ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
PRAZA_20573
ENTREVISTA | Juan Carlos Piñeiro leva máis de medio ano á fronte de Compromiso por Galicia (CxG), que celebra o Día Nacional con delegacións do PNV e do PS de Portugal. "O PSOE non existe no país; é un conglomerado de intereses persoais sen proxecto de país", di o secretario xeral
Compromiso por Galicia (CxG) celebra o Día Nacional de Galicia, desta vez acompañado non só por unha representación do PNV -aliado habitual da formación galeguista- senón tamén polo Partidos Socialista (PS) de Portugal. Logo da ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres, o partido celebrará o seu acto político no parque Eugenio Granell de Compostela, con xantar e festa incluída. Falamos con Juan Carlos Piñeiro (San Cibrao, Cervo, 1977), o seu secretario xeral desde o pasado mes de xaneiro. Que balance fai deste máis de medio ano á fronte de Compromiso? O cualificativo que utilizaría é o de ilusión. Estamos facendo un forte traballo de expansión territorial, activando moitas agrupacións que non o estaban e formando outras novas. As nosas iniciativas están a ter bastante repercusión; estamos artellando novas formas de traballo e estamos contentos. Cal é o estado de saúde de CxG na actualidade? Despois dos resultados das autonómicas, que foron malos sen paliativos, pretendiamos levar a cabo un reinicio que se coseguiu. Temos moitas ganas e estase achegando xente nova ao proxecto. Acabamos de activar agrupacións novas na Mariña, proximamente farémolo na Coruña e estamos traballando arreo en Ourense. A estratexia política está funcionando ao 100%, así que a saúde é boa. "Apostamos por un proxecto propio centrado en Galiza pero máis no galeguismo que no independentismo" A morea de actos convocados o 25 de xullo en Compostela por parte da esquerda e do nacionalismo en Galicia inciden na división dese espazo, por que aposta Compromiso ante a situación? Nós apostamos sempre polo diálogo con todos os axentes políticos do país porque é o único xeito de que Galiza poida avanzar cara a onde precisa. Con todo, nunca unha formación nacionalista ou galeguista estivo unida de todo. Nós tivemos este debate en dúas ocasións, de cara ás xerais e cara ás autonómicas, e optamos por un proxecto propio de país, fondamente europeísta. Hai moitos parámetros que non encaixan cos doutros, por iso apostamos por un proxecto propio centrado en Galiza pero máis no ámbito do galeguismo que do independentismo. Cremos que o camiño para Galicia é obter o máximo autogoberno posible dentro da construción europea. Estamos decididos a facer un proxecto sólido e propio. "Queremos fuxir de ser unha forza municipalista porque temos unha clara vocación e estrutura nacional" O traballo municipal de CxG en dúas importantes vilas galegas está a ser bastante ben valorado. É ese o modelo no que fixarse e que pór como exemplo? Queremos fuxir de ser unha forza municipalista porque temos unha clara vocación e estrutura nacional, pero é obvio que temos dous concellos, Muros e Lalín, onde estamos a facer unha xestión de goberno que a xente pode medir e valorar día a día. Válennos como espello para amosar cales serían as nosas políticas para o resto de concellos de país pero sen perder o ámbito de actuación nacional. "Hai unha fonda crise de partidos en Galicia; o predominio do PP non é mérito seu senón demérito dos demais" Entre tanta división da esquerda, problemas internas nos partidos ou mesmo falta de liderado, o PP continúa avanzando as súas posicións... En xeral, creo que hai unha fonda crise de partidos en Galicia. Como partido, hoxe en día ten moita máis saúde Compromiso por Galicia có resto. Non creo que a supremacía do PP sexa tanto pola polarización da esquerda ou a división. O PP ten unha máquina electoral e non ten maior problema en apostar por un discurso sen complexos nun momento dado se iso lle beneficia á hora de conseguir votos. Pero non creo que o seu predominio electoral sexa polo seu mérito, senón máis ben polo demérito do resto. "O PSOE non existe en Galicia; é un conglomerado de intereses persoais, sen proxecto de país nin acción diferenciada para Galicia" E logo? En Marea leva ano e medio de vida falando de si mesma e iso dificulta que o seu proxecto chegue á sociedade; o BNG ten un mecanismo de partido moito máis asentado pero está moi pechado na súa propia mensaxe; e o PSOE creo, persoalmente, que non existe. É un conglomerado de intereses persoais, de ocupar postos, de situarse... Non teñen nin proxecto de país nin moito menos unha acción diferenciada para Galicia como puido ter o PSdeG no seu día. Máis que polarización na esquerda, o que vexo é un desleixo claro en todos os partidos. En vez de traballar tanto de cara ao interior das súas estruturas, deberían traballar máis cara á sociedade. Que reivindica Compromiso por Galicia neste Día da Patria? Celebraremos unha xornada con agrupacións de diferentes comarcas e reivindicaremos a nación galega desde unha óptica festiva e co obxectivo de cargar as pilas. Estaremos acompañados por unha delegación do PSP e do PNV, dúas forzas claramente de goberno coas que estamos artellando estratexias de colaboración que se irán vendo co paso do tempo.
NOS_9441
O comercio retallista atópase na Galiza nunha situación de emerxencia. Se nos últimos anos o escenario para o sector xa foi moi delicada, até o punto de fechar na Galiza en 2019 perto de 2.100 negocios, a pandemia agravou unha crise que agudizou as tendencias anteriores, derivadas da introdución de novas canles de comercialización asociadas ás grandes operadoras tecnolóxicas. A brutal caída da facturación e das marxes de beneficio en 2020 así como o cese na actividade de moitos comercios debuxan un panorama moi preocupante.
As vendas do comercio retallista rexistraron en 2020 unha baixada de 6,8%, mais os datos son desiguais atendendo á rama da actividade e á dimensión do negocio. Segundo as cifras achegadas polo Instituto Galego de Estatística (IGE), a maior caída produciuse no segmento de equipo persoal, onde se atopa o téxtil e o calzado, con 27,4%, seguido doutros bens, con 5,4%, e de equipo de fogar con 2,3%, medrando o consumo de produtos alimenticios en 0,4%. Ao tempo, as grandes cadeas de distribución aumentaron a súa facturación en 2,7%, reducíndose nos negocios familiares en 17,1% e nas empresas unilocalizadas en 8,4%. A destrución do emprego A caída da contratación no comercio situouse no último ano en 22%. Excepto nas grandes cadeas de alimentación, onde se incrementaron os cadros de persoal en 0,6%, a destrución de emprego foi constante no resto das áreas de actividade, encabezando a perda de postos de traballo os negocios familiares e as empresas unilocalizadas. Malia que a operativa de protección do emprego aprobada polo Estado cos ERTE limitou o número de concursos de acredores, en 2020 foi o comercio quen por primeira vez na serie histórica os liderou na Galiza, con 55 procedementos tramitados nos diferentes xulgados do mercantil. As vendas dos comercios de roupa e calzados rexistraron unha caída de 27,4% As previsións non semellan mellores para este ano. A este respecto, o presidente da Federación Galega do Comercio, José María Seixas, afirma en declaracións a Nós Diario que "entre o 20% e o 40%" dos comercios galegos veranse na obriga de fechar debido á crise económica desatada pola pandemia. A pesar de que desde 2008 se observa unha caída da actividade, con 15.000 estabelecementos menos na actualidade e con 5.000 empregos perdidos nos últimos cinco anos, o dirixente da entidade pon de manifesto que "agora mesmo hai un 20% de fechamentos de comercios" e calcula que pode chegar a "40% a final de ano se non cambian as cousas". Seixas urxe axudas directas para o sector. "No primeiro momento recorreuse aos créditos brandos do Instituto de Crédito Oficial (ICO) e do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) para responder á situación, pero agora estamos máis endebedados e non estamos para devolver ese diñeiro, polo que as administracións deben aprobar aprazamentos na devolución dos mesmos", sinala Seixas, quen salienta que "os Gobernos non poden esquecer que o comercio representa o 13% do Produto Interior Bruto (PIB) e o 14% do emprego na Galiza". Un momento preocupante Cielo Fernández é propietaria dunha libraría e dunha tenda de xoguetes en Foz e Ribadeo. En conversa con Nós Diario, afirma que "nun primeiro momento a situación foi moi dura e vímonos obrigados a acudir aos créditos do ICO para facer fronte aos pagamentos. Cando volvemos do confinamento, a cousa foi mellor do que pensamos e a campaña de Nadal respondeu ben, pero agora estamos nun momento preocupante, cunha caída importante das vendas nos meses de xaneiro e de febreiro. A isto teñen contribuído de maneira decisiva os fechamentos perimetrais, que en localidades como Ribadeo están tendo un efecto demoledor". Neste sentido, opina que "o fechamento da hostalaría golpea claramente a actividade comercial". "Está todo no aire. A situación é de incerteza total sobre como pode evolucionar o contexto agora que hai un baixón moi grande", expón Fernández, quen considera que "estamos no momento máis complicado desde o remate do confinamento". Aínda así, entende que "as librarías estamos resistindo bastante ben e na miña opinión o impacto é menor que noutros sectores do comercio como o téxtil ou o calzado, onde se nota moito o parón da vida social e onde a presión das plataformas tecnolóxicas é moi forte". "Vai ser duro saír desta porque estamos nunha situación complicada", conclúe Cielo Fernández, quen dirixe un negocio familiar xa na súa segunda xeración. Rosa Segade rexenta un negocio na zona vella de Santiago de Compostela. O comercio, centrado na venda de complementos, produtos culturais e traxes tradicionais, está sufrindo as consecuencias da situación. "O problema non é que non vendamos, senón que directamente a xente non entra", relata a Nós Diario, mentres prognostica fechamentos e despedimentos masivos. "Na zona vella de Compostela xa fecharon varias tendas de roupa e tamén na zona nova hai varias en liquidación. A situación é insostíbel, levamos xa case un ano nisto e mesmo en campañas concretas como as de rebaixas non se ve xente pola rúa". As restricións perimetrais e o feche da hostalaría Segade considera que as restricións perimetrais e o fechamento da hostalaría afectan moito ao comercio retallista compostelán. "Nós notamos moito o fechamento dos bares, na zona vella xa practicamente non fican veciños, polo que sen a presenza desas persoas que van tomar algo, o casco histórico é un deserto", comenta Segade, quen destaca que "as restricións impiden que a xente dos concellos limítrofes poidan vir comprar". Segade non ten unha alternativa clara para enfrontar o contexto, mais "defende un sistema diferente da xestión das axudas, onde se prime aquelas que máis o precisen e o diñeiro chegue con axilidade aos beneficiados". O comercio retallista liderou os concursos acredores en 2020 Germán Riveiro é o vicepresidente do Centro Comercial Aberto de Carballo. Propietario dun negocio na capital de Bergantiños, recoñece a Nós Diario que "o último fechamento perimetral, de xaneiro, afectounos moito porque impide que poidan vir mercar persoas dos concellos de arredor, como Ponteceso, A Laracha ou Coristanco". Ao tempo, considera que "o fechamento da hostalaría prexudicou moito, pois cando a xente sae tomar algo tamén aproveita para mercar". Subliña que "por agora non se teñen producido fechamentos de comercios pero a xente ten medo porque debe facer fronte a facturas, a gastos correntes e comezar a devolver os créditos do ICO". Riveiro aposta porque as administracións concedan "axudas directas, con novos plans como ICO e que sexa máis doado acollerse a eles". Na mesma liña, valora como moi positiva a iniciativa Sempre Carballo, promovida pola corporación local e que consistiu nunha "tarxeta moedeiro que permitía a cada veciño poder comprar por unha contía de 30 euros. Ao final, a xente gastaba máis que a cantidade achegada polo concello". A contratación no comercio cae 22% A xestora de recursos humanos Randstad vén de facer público un informe onde certifica que a contratación no comercio retallista "caeu en xaneiro o 21,88%" en relación co mesmo mes do ano pasado. Segundo informan desde Randstad "nin as rebaixas evitaron esta caída da contratación, un descenso 5,8 puntos porcentuais superior á media estatal". Ao tempo destacan que o volume de contratos rexistrado na Galiza supón o 6% do total do Estado, salientando que "A Coruña, con 3.975 contratos en comercio, e Pontevedra, con 2.811, lideran a creación de emprego na Galiza, aínda que se reduciron en comparación co ano pasado, un 23,9% e un 21,1% respectivamente". O estudo de Randstad volve pór sobre a mesa que a crise está afectando de modo máis duro ás mulleres e á mocidade. Así, indica que a "contratación das mulleres reduciuse en 23,77%, case catro puntos máis que a dos homes", e sinala que esta "foi seis puntos inferior á media nos menores de 25 anos". O director de Randstad Research, Valentín Bote, afirma que "analizando a evolución da contratación desde xaneiro de 2020, apréciase que o indicador comeza a caer, á vez que o aumento de casos de Covid-19, chegando a rexistrar o seu volume máis baixo en abril, o mes máis cru da primeira onda e do confinamento. Nin o Black Friday nin a campaña de Nadal nin as rebaixas de xaneiro tiveron un efecto realmente determinante na contratación do comercio, o que nos convida a pensar que, a pesar da positiva influencia do e-commerce, o que afecta maioritariamente o sector son as restricións e a incerteza que provoca a situación sanitaria", resalta Valentín Bote.
NOS_10277
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, presidiu a imposición das medallas Castelao, e gabou a "solidariedade" galega sen "receos" cara a outros pobo no seu discurso..
Na mañá deste domingo, 28 de xuño, en Compostela, o presidente da Xunta da Galiza e aspirante polo Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, estivo presente na cerimonia de imposición das medallas Castelao. Este ano, foron entregadas aos xornalistas Pilar Cernuda e Xosé Manuel Piñeiro, á deportista Ana Peleteiro, á agrupación musical A Roda e mais ás Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago na véspera do Xacobeo 2021. "Camiñamos sobre os ombreiros de xigantes", expuxo Feixoo citando ao italiano Umberto Eco e lembrando no seu discurso as figuras de Castelao, Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro. "En medio dun cúmulo de hipóteses sobre o que vai suceder nos meses vindeiros, brilla a certeza de que os acontecementos atoparán unha Galicia de fortes vencellos humanos, dotada de solidez institucional", asegurou Núñez Feixoo no seu discurso, no que gabou os lazos de "solidariedade" do pobo galego que non implican "receos" cara a outros pobos. "Houbo unha Galiza que coidou da Galiza con agarimo e profesionalidade ilimitadas", aseverou Feixoo na xornada posterior a unha manifestación convocada por sindicatos e colectivos da sanidade pública para reclamar "estabilidade laboral", facendo fincapé en que "a totalidade das Administracións formaron un compendio eficaz cuxo único obxectivo foi a salvagarda da saúde". Unha medalla "sen ningunha cor" Nas súas intervencións as e os premiados destacaron a "honra" da distinción recibida. A xornalista Pilar Cernuda manifestou que se trata "dun gran premio para quen se sente galego". Mesmo se desde hai anos reside en Madrid, asegurou que "Galiza se leva sempre no corazón". O seu compañeiro de profesión, Xosé Manuel Piñeiro, cualificou o momento como "un dos máis emocionantes" da súa vida e agradeceu os coidados polas profesionais da sanidade no tratamento da súa enfermidade. Ana Peleteiro fixo fincapé en que o galardón "é de todos os galegos, non ten ningunha cor" e valorou a súa distinción polo "orgullo" que sente da súa terra e que difunde polo mundo. Alfredo Dourado, integrante da Roda, reivindicou que a formación permitiu "dignificar a música de taberna". "A tradición non é historia, é eternidade", engadiu citando a Castelao. Para concluír, o presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Luis Gutiérres, salientou que, no momento actual, a responsabilidade persoal de cada camiñante é un "valor de protección".
NOS_14569
Faino unicamente con carácter instrumental para dar "soporte" ás candidaturas municipais nas que participa esta organización. A Irmandade Nacionalista reitera a súa aposta nas "mareas e candidaturas de Unidade Popular" para os comicios de maio.
Anova reedita para as eleccións municipais a coalición instrumental empregada hai catro anos 'Son', e que desta volta bautiza como 'Son-En Común'. A través dun comunicado, esta organización aclara que 'Son-En Común' é unha coalición instrumental que ten como obxectivo servir "de paraugas xurídico para garantir que as candidaturas de unidade que así o necesiten teñan un respaldo xurídico e organizativo, sempre apoiadas no proxecto municipalista e na unidade popular." A coalición SON -En Común, así pois, é unicamente instrumental e dará soporte algunhas das candidaturas municipalistas nas que traballa esta organización. "Anova aposta por elas e tamén por outras que non están dentro desa fórmula xurídica, como son Compostela Aberta, Marea Atlántica, Ourense en Común e outras moitas de vilas e concellos galegos que soberanamente deciden participar coa súa propia marca municipal e que teñen todo o noso apoio e implicación". A Irmandade Nacionalista entende que o fundamental do proceso das eleccións municipais de maio de 2019 é "consolidar a rede de iniciativas e candidaturas municipalistas que levamos construíndo xunto con outros axentes en moitos concellos galegos". "A coalición Son-En Común non aspira nin pretende representar ao conxunto do espazo municipalista: consiste nunha ferramenta instrumental e xurídica que é posta ao servizo das candidaturas municipalistas que soberanamente decidiron optar por esta fórmula de concorrencia". Nese sentido, insisten en que non queren que isto se interprete "como un proceso de homologación nin de apropiación partidaria do municipalismo galego", algo que afirman "sí pretenden outros cando presentan agrupacións territoriais como pretendidas mareas e que mesmo xogan a competir contra candidaturas que nestes momentos gobernan como é o caso da cidade de Ferrol", en refrencia a En Marea.
NOS_32844
O Concello de Mondoñedo recoñece Susana Rodríguez polos seus éxitos deportivos; pero, especialmente, polos valores que representa: "enerxía, esforzo, competencia e superación".
A corporación municipal do Concello de Mondoñedo aprobou na súa sesión plenaria, por unanimidade de todas as forzas políticas, iniciar o expediente para concederlle á atleta paralímpica Susana Rodríguez Gacio a distinción de filla adoptiva predilecta. Segundo informou o Goberno local nun comunicado, o rexedor municipal, Manuel Otero, comunicou directamente á médica e deportista viguesa e de raíces mindonienses o acordo do pleno, ante o que se mostrou "moi contenta e ilusionada". Ademais, o alcalde tamén mostrou o desexo do municipio de organizar un acto "coincidindo cunha data que se adapte ao seu calendario de compromisos e ocupacións". Susana Rodríguez Gacio, ouro nos Xogos Paralímpicos de Tokio Susana Rodríguez Gacio gañou a medalla de ouro en tríatlon na clase PTVI e a quinta praza da proba de 1.500 metros da clase T11 nos Xogos Paralímpicos de Tokio, co que se converteu ademais na primeira galega e cidadá do Estado en competir en dous deportes distintos. Tres veces campioa mundial de tríatlon, terminou en setembro de 2020 a especialidade de Medicina Física e Rehabilitación no Centro Hospitalario de Santiago. "O Concello quere recoñecer, por tanto, a Susana Rodríguez polos seus éxitos deportivos; pero, especialmente, polos valores que representa: "enerxía, esforzo, competencia e superación".
PRAZA_5146
Rocío Mosquera constitúe o seu Consello Asesor obviando a Lei de Saúde, que estipula que a súa composición ten que tender á paridade. A Asociación para a Defensa da Sanidade Pública destaca os vencellos coa sanidade privada de varios membros deste órgano.
O Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galicia é o "órgano superior de consulta e asesoramento da Consellería de Sanidade". Creado ao abeiro da Lei de Saúde do 2008, a súa composición correspóndelle á persoa titular da Consellería de Sanidade, neste caso Rocío Mosquera, que é quen lles encomenda as tarefas que correspondan a estes profesionais. Na propia lei, aprobada en tempos do bipartito, estipúlase que a Consellería debe "procurar unha composición paritaria de mulleres e homes" neste órgano, precepto que Mosquera vén de obviar abertamente. Este xoves entra en vigor a nova composición deste órgano, definida por Mosquera mediante unha orde do pasado 11 de marzo. Nela inclúese unha nómina de 16 persoas na que só dúas son mulleres, unha enfermeira e unha asistente social. Isto quere dicir que practicamente o 90% dun consello que a lei fixa como paritario vai estar composto por homes, distorsionando así non só a composición da poboación en xeral, senón tamén das profesións sanitarias en concreto e, máis concretamente, do propio Servizo Galego de Saúde, onde se estima que arredor do 75% do cadro de persoal está composto por mulleres. A lei establece que este consello ten que ser paritario "Todos os homes da conselleira", ironiza a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), ao analizar a composición deste Consello, no que o machismo non só é cuestión de cifras. Un dos designados para formar parte del é o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, médico en excedencia que nun recente pleno da Deputación de Pontevedra defendeu con vehemencia a contrarreforma da lei do aborto con argumentos como que "é certo que abortos houbo toda a vida, en Esparta eliminaban as persoas con certa discapacidade". O embarazo, agregou naquela sesión, "é un tema de matrimonio". Sen contacto directo cos pacientes Ademais do nesgo machista deste organismo, a AGDSP tamén se fixa no feito de que "ningún membro do consello asesor é profesional médico ou de enfermaría dedicado en exclusiva á asistencia aos pacientes do Sergas". Ou ben se trata de persoal xubilado, "ou só teñen actividade privada ou están dedicados a labores de docencia ou de investigación". "Os tres profesionais máis relacionados coa asistencia son xefes de servizos", lamentan, nun contexto no que "só cinco dos 16 membros son profesionais en activo do Sergas" e ningún deles é "médico ou enfermeira dun centro de saúde". A AGDSP subliña que un dos membros do consello é membro da asociación que agrupa as multinacionais cárnicas dos EUA A escaseza de vinculación co Sergas ten a súa contrapartida nunha abondosa "vinculación coa empresa privada" a cal, afirman, se dá en "10 dos 16 membros do consello". "Estas vinculacións son esencailmente coa sanidade privada, a industria sanitaria privada, os fondos de investimento e a industria alimentaria". Para a asociación resulta especialmente grave que "un dos asesores elixidos -Francisco Javier Carballo- sexa membro da American Meat Science Association, agrupación de multinacionais norteamericanas de gandeiros, procesadores de produtos cárnicos" como hamburguesas e carne enlatada e "das sementes transxénicas". Isto acontece, subliñan, mentres a Xunta di abordar a "alta taxa de obesidade dos nenos galegos". "A elección do consello asesor, ademais dos tintes localistas xa evidenciados noutras decisións da conselleira -nove membros son da Coruña-", denota, para a AGDSP, "un forte rexeitamento á atención primaria da saúe e aos profesionais dedicados aos pacientes, ás mulleres traballadoras e aos profesionais sen connivencias coa industria". Así, conclúen, enmárcase na "política privatizadora e de costas aos profesionais" que, ao seu xuízo, caracteriza a xestión da actual Xunta. Orde coa nova composición do Consello
PRAZA_17688
Onishchenko protestou, fíxose o ofendido, acabou recoñecendo que non o tocara, alegou avarías varias e tentou cambiar a arma por outra. Mais desta volta os xuíces non tragaron e desmontaron a arma
Imaxine que a cazan facendo trampa. Imaxine que a cazan facéndoa diante de miles de espectadores. Ben, se se dedicase vostede ao fútbol non pasaría gran cousa, dirían que domina con mestría "o outro xogo", a picardía, a veteranía, etcétera. Pero imaxine que a cazan nunha competición olímpica, mentres representa ao seu país, e que a situación é tan comprometida que mesmo o xefe de Estado a chama a capítulo para lerlle a cartilla. Imaxine agora que o xefe de Estado é un tipo ao que medio mundo considera a encarnación do demo na terra. Unha cousa así foi o que lle pasou a Boris Onishchenko en 1976. Ucraíno, levaba un decenio entre os mellores nese max mix de especialidades que é o pentatlón moderno, a epítome do deporte de cabaleiros. Na Unión Soviética era todo un heroe ao que perseguían os nenos buscando autógrafos, un galán louro de alopecia incipiente, tal que un Jude Law encarnando a Vasili Záitsev no cerco de Stalingrado. Onishchenko afrontaba aos 38 anos os seus últimos Xogos despois de ter entrado no equipo polos pelos. A URSS quería revalidar en Montreal o ouro de 1972 e, despois dunha actuación discreta na hípica, a esgrima volvérase aínda máis importante. Era ademais a disciplina que mellor se lle daba, así que a ninguén lle pareceu rara a facilidade coa que gañou as primeiras tiradas. A case ninguén: na selección británica, aspirante tamén ao título, estrañaba que o dispositivo electrónico que confirma que o florete atinxiu ao rival se disparase mesmo centímetros antes tocalo. Non hai problema, dixo Onishchenko, revísase o choio e tan amigos. Os xuíces botáronlle unha ollada á arma, decretaron que non tiña nada raro e o soviético seguiu gañando. Onishchenko protestou, fíxose o ofendido, acabou recoñecendo que non o tocara, alegou avarías varias e tentou cambiar a arma por outra. Mais desta volta os xuíces non tragaron e desmontaron a arma Ata que lle tocou como rival o inglés Jim Fox. Os dous eran bos amigos: militares, elegantes e da vella escola, levaban demasiado tempo véndonse as caras como para se levaren mal. "Pero comigo pinchou en óso", diría o británico ao Guardian despois da competición. Porque na primeira tirada Onishchenko achegouse a Fox e tentou tocalo sen éxito, pero a luz que indicaba o alcance alumeou igualmente, "coma se en lugar dun florete tivese unha variña máxica". Fox esixiu que se comprobase de novo o dispositivo; Onishchenko protestou, fíxose o ofendido, acabou recoñecendo que non o tocara, alegou avarías varias e tentou cambiar a arma por outra. Mais desta vez os xuíces non tragaron, e despois de desmontar o mango comprobaron que dentro, moi ben oculto, había un dispositivo electrónico que prendía a luz a vontade do espadachín. Cando o ucraíno foi expulsado da sala pasou por diante do inglés e, morto de vergoña, díxolle: "Perdoa, perdoa, perdoa". "Púidolle a presión", diría Fox en descargo do colega. Esa mesma noite, un coche foi buscar a Onishchenko á Vila Olímpica, e só un día despois estaba de volta en Kiev, con todo o palmarés anulado e traballando de taxista. Polo visto, un par de meses despois dos Xogos foi chamado ao Kremlin, onde o mesmísimo Leonidas Brezhvev, o das poboadas cellas, lle botou unha rifa antolóxica por ter humillado ao pobo soviético.
NOS_38130
A Primeira División conta con numerosos exemplos de futbolistas galegos brillando alén das nosas fronteiras, pero onde máis confían no talento do país foi no Huesca, que conta nas súas filas con Ferreiro, Pablo Insua, Mosquera e Juan Carlos Real, que analizou para 'Nós Diario' este curioso caso.
O fútbol galego vive a súa idade de ouro. Ou, mellor dito, o futbolista galego. A lóxica leva a pensar que esa época foi a de mediados dos anos 90, cando durante varias tempadas Celta, Compostela e Deportivo coincidiron na Primeira División, mais se retiramos o cálido filtro da nostalxia podemos ver que, por exemplo, na liga 1996/97 ningún xogador galego era titular indiscutíbel no Celta e no Dépor -nin sequera Fran, que tivo moitos problemas coas lesións durante ese ano-, e no Compos de Fernando Vázquez só Mauro e Nacho saían de inicio con regularidade. Hoxe cambiaron radicalmente as tornas, e no único representante galego na máxima categoría (Celta) participan con regularidade Iván Villar, Hugo Mallo, Denís Suárez, Brais Méndez, Fontán, Santi Mina ou Iago Aspas, entre outros. Os futbolistas galegos están máis valorados que nunca, e por iso o seu mercado non se limita á Galiza, como demostra o brillo de Iago Falqué no Calcio, de Jonny na Premier ou de Angeliño na Bundesliga, onde é unha das máximas estrelas do campionato. Porén, como é lóxico, onde máis xogadores da Galiza compiten é na liga española. Equipos como Real Madrid (Lúcas Vázquez), Valencia (Jason), Levante (Rober Pier), Osasuna (Rubén), Cádiz (Barragán), Betis (Borja Iglesias), Eibar (Yoel), Valladolid (Raúl García) ou Alavés (Lúcas Pérez, Joselu, Jota) confían no seu talento, aínda que a indiscutíbel capital do fútbol galego na diáspora está na Sociedade Deportiva Huesca, onde se xuntaron David Ferreiro, Pedro Mosquera, Juan Carlos e Pablo Insua. Xogadores de perfís moi diferentes entre si, Juan Carlos Real apunta para Nós Diario que non pensa que a súa reunión se deba a quen a secretaría técnica do conxunto maño teñan unha especial predilección polo futbolista galego, senón que a o seu encontro foi cousa "de que o fútbol dá moitas voltas". O centrocampista coruñés revela que, aínda sen formar unha "grupiño" no vestiario ao estilo dos xogadores arxentinos ou brasileiros, o peso galego si que se deixa notar no vestiario do conxunto oscense, que define como "un bloque moi unido". Fóra do terreo de xogo, o tempo pasa amodo nunha cidade "bonita, pequena e tranquila", como define Juan Carlos a capital oscense, e confesa divertido que no pasado botaba máis tempo cos seus compañeiros galegos que agora, porque "todos temos familia, parellas... facémonos maiores".
NOS_46895
Botan en falta "autocrítica" no plan de desconfinamento da Xunta da Galiza en relación ás eivas na Atención Primaria ou na xestión dos brotes detectados en residencias.
A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) critica nun comunicado o plan de desconfinamento da Xunta da Galiza pola falta dunha "necesaria autocrítica na xestión do Goberno galego en relación ás residencias de maiores así como da Atención Primaria, antes e despois da epidemia da COVID-19". O colectivo afirma que a consulta da Xunta ao Comité Técnico de Atención Primaria da Galiza para colaborar no borrador do plan de desconfinamento "chama a atención", despois de que, segundo denuncian, a Administración galega ignorase "documentos moi traballados por profesionais de diferentes sectores cunha análise profunda da situación e das necesidades da Atención Primaria". "Atopámonos con infraestruturas e persoal insuficiente nos equipos de Atención Primaria para atender todos os pacientes neste período especial, que require escalar as citas", aseguran desde a AGDSP, apuntando así mesmo á carencia de fisioterapeutas, psicólogas e profesionais doutros eidos necesarias para atender "o incremento esperábel de determinadas patoloxías relacionadas coa emerxencia sanitaria e o confinamento". A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública liga as eivas na Atención Primaria "aos recortes do Partido Popular", aos que tamén achaca os brotes da COVID-19 detectados en centros de maiores. Reversión de contratos As integrantes do colectivo valoran que a pandemia do coronavirus tivo na Galiza unha menor incidencia que ligan á dispersión poboacional, á menor aglomeración da cidadanía no transporte ou nos espazos públicos. A pesar da menor "virulencia" da doenza no país, a asociación sinala que os centros de maiores nos que se detectaron brotes acumulan elevados niveis de contaxios e, nalgúns casos, mortalidade. Dos 573 falecementos rexistrados na Galiza con relación ao coronavirus, 45% son de residentes. O colectivo fai referencia a un informe do Consello de Contas, o organismo fiscalizador da xestión do sector público galego, de 2017 no que advirte que as cifras de persoal das principais xestoras de centros de maiores, como a Fundación San Rosendo ou DomusVi, "non coincide en número de efectivos co cadro de persoal ofertado para a contratación, apreciándose valores inferiores". As actas de inspección revisadas polo Consello de Contas salientan que as deficiencias detectadas non foron atendidas. Á escaseza de persoal nalgunhas residencias, a AGDSP engade "irregularidades" no modelo residencial galego, no que as prazas privadas representan case 79% do total, caracterizado pola "falta de control" da Consellaría de Política Social e "eivas nas instalacións". "Existe unha relación entre as deficientes condicións previas das residencias e a incorrecta xestión realizada pola Xunta, cun elevado número de persoas afectadas tanto entre as internas como entre o persoal", apunta o colectivo. Para reverter estas deficiencias, a AGDSP propón a "intervención" dos centros que concentraron contaxios, a apertura dunha investigación, a reintegración ao público das residencias concertadas así como o desenvolvemento da Lei de Dependencia da Galiza para atender maiores nos seus propios domicilios.
NOS_48481
"Hamada" é a palabra árabe para designar un deserto pedregoso, árido, duro. Define con exactitude o territorio de Alxeria onde, desde hai máis de 40 anos, resiste o pobo saharauí, expulsado do seu país polo invasor marroquí. Hamada é tamén o último filme de Eloy Domínguez Serén, rodado nos campamentos da Fronte Polisario e que este 12 de xullo se estrea no cinema Numax de Compostela.
"Desde 2014 pasei un total de oito meses nos campamentos de refuxiados saharauís de Tindouf, onde convivín e desenvolvín unha relación íntima e profunda coa comunidade", explica o cineasta nunha Notas de dirección, "aquí descubrín xente extraordinaria que se converteu non só en protagonista do filme, senón que se implicou na concepción e desenvolvemento da mesma". Hamada filma "unha das comunidades máis esquecidas do mundo" encarnada pola súa mocidade. O pobo saharauí vive nun estraño limbo, abandonado por boa parte dos países que noutrora amosaron simpatía pola súa causa, e co sempre adiado referendo de autodeterminación -recoñecido e organizado pola ONU- no horizonte. "Os rapaces pasan os días arranxando coches, a pesar de que non os poden levar a ningures, loitando por unha mudanza política que nunca chega e soñando cun futuro que probabelmente non ocorrerá", explica a sinopse. Os produtores da obra, David Herdies e Michael Krotkiewski, apuntan outros matices: "Domínguez Serén creou secuencias tan vivas e espontáneas que xeran a dúbida de se están preparadas de antemán, e lévannos a un misticismo cómico que raras veces se viu". Catro persoas protagonizan Hamada: Sidahmed Salec Labeid, Ainina Sihamed Mohamed, Zaara Mohamed Saleh e Taher Mulay Zain. Conta con música de Kjetil Schander Luher e na montaxe participou, canda o propio Domínguez Serén, Ana Pfaff. O primeiro pase en salas de Hamada é esta sexta feira, 12 de xullo, na sala Numax de Compostela, ás 20.15. A portavoz nacional do BNG Ana Pontón fará a presentación. Haberá proxeccións ao longo de toda a fin de semana, con introducións a cargo dos tamén cineastas Alfonso Zarauza e Jorge Coira. Domínguez Serén (Simes, Meaño, 1985) é o autor de filmes como No cow on the ice (2015), celebrada en prestixiosos certames de cinema documental. Na actualidade o seu proxecto The Darker it Gets atópase en fase de preprodución.
NOS_23341
As vestimentas tradicionais de Galiza tamén foron motivo de estudo por parte de Antonio Fraguas, quen afirmaba que "para atopar a raíz e a esencia do noso traxe, debemos comezar polo coñecemento da materia prima para a súa elaboración". Do seu legado fica hoxe o Premio Antonio Fraguas de Investigación sobre o Traxe Galego.
Na lembranza de D. Antonio Fraguas e D. Manuel Beiras. No libro que Antonio Fraguas escribiu sobre o traxe galego recolle nun texto a riqueza, variedade e diversidade do vestir na Galiza ao longo dos séculos "non é posible atopar un traxe invariable en Galiza, anos e séculos fórono transformando e na arca do tempo gárdanse motivos e pezas que no seu día foron o mellor do vestir galego, pero a moda é fantasiosa e vaise transformando continuamente" (1). Esta riqueza, variedade e diversidade dos traxes de homes e mulleres que existiron na Galiza ao longo da historia está pescudado e contado con rigor no libro de Fraguas El traje gallego e, asemade, amplamente ilustrado con fotografías, pinturas e debuxos. Rosalía de Castro, na súa poesía tamén relata a diversidade dos traxes galegos segundo as diferentes comarcas: As de Muros tan finiñas, que un coidara que se creban (...) refaixo e mantelo negro zapato e media de seda negra chaqueta de raso (...) As de Camariñas visten, cal rapaciñas gaiteiras, saias de vivos colores polo pescozo da perna. (2) Esta riqueza e galanura aparece xa nos tecidos, feitos na casa ou mercados, os liños, estopas, picotes, las, veludos, brocados, lenzos, panos sedáns, batistas... foron e aínda son a base dunha economía, un bo facer e unha maneira de seducir que falan dunha riqueza inmensa de cores, texturas, usos e tactos. Se estudamos a variedade de bordados e encaixes que se engadían como pegada persoal na peza feita veremos trazos de amor, de sedución e de encantamento en cada un deses traballos. Mais tamén unha parte importante da economía e do bo facer feminino ao longo dos séculos. Os bordados de palillos son un sinal de identidade propia da Galiza que se practicou en todo o territorio aínda que hoxe estea máis identificada coa vila de Camariñas e a súa contorna. Nesta actividade artesá de grande calidade e finura chegaron a traballar máis de 20 mil mulleres e nenas no inicio do século XX até o fin da Primeira Guerra Mundial. Este traballo xerou un comercio internacional con exportacións, maiormente a América e cun valor económico de varios millóns de pesetas (3). Esta industria permitiu a independencia económica de moitas mulleres, un saber facer e innovación que hoxe representan as palilleiras convertidas xa en profesionais con escolas onde se aprende este oficio e cunha innovación en debuxos e materiais de traballo co carimbo de "Artesanía de Galicia". A riqueza dos traxes de homes e mulleres que existiron na Galiza ao longo da historia está pescudada e contada con rigor no libro de Fraguas El traje gallego Os traxes tradicionais tiñan usos moi diferentes: decotío, de feira, de festa, de casamento. Tamén variaban os materiais e a feitura segundo as comarcas e as condicións climáticas: de beiramar, da montaña... Cada comarca definía a súa propia vestimenta que logo cada home e muller adaptaba ao seu corpo e uso. As medias de seda calada, as monteiras, os panos de namorar, os mantóns de oitos puntas, de seda e de Manila eran de cores diferentes e variaban en cada casa. Os adornos, case sempre de prata dourada e de acibeche eran un patrimonio familiar herdado de xeración en xeración; máis rico nas casas grandes e nos Pazos; máis sinxelos, máis non por iso menos valorado, nas casas de traballo. Os brincos de reloxio, de lazo, etc etc; os colares de doas, de acibeche e coral; os aderezos, os sapos, os rosarios de filigrana, as leontinas con reloxios de bolso, etc, etc eran -e son- todo un patrimonio que falaba do bo facer de ourives, acibecheiros e artesáns, tamén hoxe prestixiados, pois foron quen de innovar na arte do traballo da xoiería. Todo ese patrimonio e riqueza que existía en tantas casas galegas a principios do século XX foi en grande parte dignificado e posto en valor polas Irmandades da Fala, co seu inmenso traballo nas corais, grupos folclóricos, grupos de teatro, veladas e festas... como ben se mostra nas fotografías desta época, na prensa e noutros moitos documentos que se estudaron e saíron á luz co gallo do centenario das Irmandades da Fala (4). Nestas entidades, imprescindíbeis para coñecer a historia e a recuperación da identidade galega, militou no seu día, Antonio Fraguas (concretamente na de Compostela). A chegada da ditadura A represión feroz da ditadura franquista esnaquizou todo este traballo e autoestima do ser de Galiza, do que os traxes e os tecidos tamén son parte e, sobre todo, ridiculizou e desprestixou a vestimenta, pois era unha manifestación máis do bo facer do pobo galego. A recuperación do esquecemento e da vergoña valorizando e devolvéndolle a autoestima á vestimenta propia faise de novo a partir de finais dos anos 60 en diante nos grupos de baile, asociacións folclóricas, asociacións culturais, entidades de apoio ao traxe galego e tantas familias que gardaron o seu inmenso patrimonio de vestimenta e sacárono de novo á luz, dándolle vida co uso. Por aldeas e vilas apareceron dengues, panos, capas, mantillas, cofias e un longo etcétera de prendas riquísimas e variadas e hoxe os estudos e as investigacións permiten confeccionar novas roupas con coñecemento e rigor. "Non é posíbel atopar un traxe invariábel na Galiza, anos e séculos fórono transformando e na arca do tempo gárdanse motivos e pezas", deixou escrito Fraguas Mais tamén, partindo da tradición e da transmisión de coñecemento de xeración en xeración aparecen novos usos da vestimenta e o calzado tradicional. Sirva como mostra o taller de zocos de Merza, desde o que a familia Ferro, e moi especialmente as netas do antigo zoqueiro, fabrican pezas que lle dan a este calzado un uso moderno e de pasarela. Pero esta riqueza de tecidos, traxes, bordados, encaixes, etc non sería posíbel sen unha man de obra formada e preparada, é dicir, sen xastres e costureiras. Elas, as costureiras, foron durante todo o século XX a base dunha industria -a da confección- na que Galiza destacou, creou marcas e forneceu unha rede comercial, sendo quen de crear maquinaria propia, como foi o caso da máquina Refrey no período da autarquía franquista, fabricada nos estaleiros de Vigo. Esta actividade económica permitiu o bo facer e o empoderamento de mulleres como María Miramontes e Rosalía Mera, entre tantas outras, mulleres con nome na costura, na moda e na historia de Galiza. E se hoxe Galiza é unha potencia no mundo da confección, con empresas multinacionais, a súa orixe está, en parte, nesa man de obra que sabía cortar, coser e confeccionar. Os tecidos e os traxes galegos son unha riqueza inmensa e un grande patrimonio e se verdade é que cada día están máis vivos, non é menos certo que precisan de espazos onde a súa historia sexa recollida e contada como fai o Museo do Pobo Galego (cun riquísimo patrimonio no que aos traxes se refire) e precisa tamén de traballos antropolóxicos e etnográficos de investigacións e pescuda como os que, no seu día, fixo D. Antonio Fraguas recuperando así o coñecemento e o saber popular de tantas xentes que habitaron e habitan Galiza. (1) Páx. 13 Antonio Fraguas y Fraguas: El Traje gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña 1985. (2) Páx. 30 Antonio Fraguas y Fraguas (ibidem) (3) Páx. 24 Mario Gallego Rei: O encaixe galego. A Nosa Terra, 2006. (4) Uxío-Breogán Diéguez Cequiel (coord.): As Irmandades da Fala 1916-1931. Laiovento, 2016 [Este artigo forma parte do A FONDO especial sobre Antonio Fraguas, á venda a loxa]
NOS_29728
Luís Villares reuniuse esta mañá co alcalde de Pontecaldelas, Andrés Díaz, un dos concellos máis afecetados polo desastre medioambiental.
A negativa do goberno de Núñez Feijóo ante a petición por parte da oposición de crear unha comisión de estudo co obxectivo de avaliar que erros se cometeron durante a vaga de lumes en materia de emerxencia e ordenamento forestal deixa en evidencia "un goberno cego porque non coñece a realidade do noso territorio e xordo por non querer escoitar a xente", denunciou Villares. O portavoz de En Marea critica a irresponsabilidade da Xunta ao denegar unha saída resolutiva ao asunto: "O PP nega no Parlamento unha comisión que era o lugar idóneo para que expertos independentes puideran avaliar que foi o que fallou a nivel de emerxencias, de atención de grupos de protección civil, en ordenación forestal, agropecuaria, que falla a nivel de ordenación do territorio para poder establecer unha política alternativa". Villares constatou na súa visita "a notoria insuficiencia das axudas aprobadas pola Xunta a semana pasada que non cobren nin de lonxe todo o traballo que están a desenvolver os municipios nin se encargan de financiar a restauración e atención integral socio-económica de todo o tecido destruído". Á reunión asistiron tamén as comunidades de montes da comarca coas que puideron comprobar de perto a forza devastadora do lume durante o "domingo negro" e reclamar a necesidade dunha comisión externa que estude os feitos.
NOS_24545
O portal de información cumpre dúas décadas na rede un fito para a imprensa dixital europea.
O diario dixital Vilaweb cumpre esta sexta feira (15 de maio) vinte anos na rede. Pasaron dúas décadas desde o seu lanzamento en 1995, tempo no que recolleron grandes resultados. Na actualidade constitúe un proxecto xornalístico multiplataforma desenvolvido integramente en catalán e baixo a dirección de Vicent Partal. Aliás, puxo en andamento unha edición en inglés que coordena a xornalista Liz Castro. Vilaweb festexará o seu 20 aniversario cun encontro da súa comunidade leitora e tamén da equipa de redacción no que se presentará o novo deseño web. Desde o diario salientan as subscricións como unha peza chave para o mantemento do proxecto ao lle forneceren sustento económico para continuar a facer xornalismo independente.
PRAZA_3202
A condena a catro cargos valencianos pola morte de 43 persoas sete anos antes do accidente de Santiago pon o foco en fallos de seguridade máis alá do maquinista
A condena a catro cargos valencianos pola morte de 43 persoas sete anos antes do accidente de Santiago pon o foco en fallos de seguridade máis alá do maquinistaA condena este luns de catro cargos do Metro de Valencia, que admitiron a súa culpa, polo accidente do 3 de xullo de 2006 no que morreron 43 persoas vén de botar definitivamente abaixo o argumento esgrimido pola administración tras aquel sinistro de que o maquinista era o único responsable de controlar a velocidade do convoi, que descarrilou ao circular a 80 quilómetros por hora nun punto limitado a 40. Ese mesmo argumento veno sostendo Adif desde que sete anos despois do accidente de Valencia outro tren, un Alvia, descarrilou en Angrois a 180 por hora nunha curva limitada a 80 provocando 81 mortos. O fallo agora emitido en Valencia sentenza que os condenados incumpriron, entre outras, a obriga establecida na lei de prevención de riscos laborais de que "as medidas preventivas deberán prever as distraccións ou imprudencias non temerarias que puidera cometer o traballador", ao igual que incumpriron a normativa europea de seguridade ferroviaria pola "inexistencia de baliza que garantira a velocidade" do convoi. No caso de Valencia o maquinista morreu, pero en Santiago salvouse e admitiu que se despistara cunha chamada do interventor e non freara a tempo antes da curva de Angrois. Nos dous casos non había activa ningunha baliza ou sistema automático de control da velocidade que frease os trens se os maquinistas non o facían, e as administracións responsables das dúas infraestruturas insistiron en que non o obrigaba a normativa e que eran os condutores os responsables de respectar a velocidade en cada punto das respectivas liñas. A sentenza de Valencia ten diversos puntos de conexión coas cuestións que están a ser investigadas en Santiago, varios deles xa evidenciados durante a instrución previa, pero tamén diferenzas á hora de atribuír responsabilidades aos catro cargos agora condenados.A sentenza de Valencia pon o foco no incumprimento da lei de prevención de riscos laborais, cuestión que en Angrois está a ser abeirada fronte a unha análise centrada no incumprimento da normativa ferroviariaA sentenza de Valencia, ademais de revelar eivas no propio tren ou na formación do maquinista, cuestións tamén baixo sospeita en Santiago, pon o foco no incumprimento por parte dos acusados da lei de prevención de riscos laborais. Porén, ese elemento que é central na sentenza de Valencia está a ser abeirado no caso de Santiago -malia as peticións do avogado do maquinista e doutro persoal de Renfe afectado polo sinistro- fronte a unha análise máis centrada no incumprimento da normativa ferroviaria. En todo caso, a condena de Valencia establece que alí "a inexistencia de baliza que garantira a velocidade" supuxo infrinxir tanto a lei de riscos laborais, xa que "o empresario está obrigado a evitar os riscos, ter en conta o estado da técnica e antepoñer as medidas de protección colectiva ás de carácter individual", como a directiva europea sobre seguridade no ferrocarril, que atribúe á empresa ferroviaria "a responsabilidade da explotación segura do sistema ferroviario e do control de riscos".Nese eido do control dos riscos, a sentenza de Valencia di que "quedou acreditado que a velocidade excesiva non se detectara como un risco" malia que houbera advertencias previas ao respecto, como tamén as houbo en Santiago. Pola contra, no deseño do AVE Ourense-Santiago a posibilidade dunha velocidade excesiva na curva de Angrois si foi sinalada como unha situación de risco, pero ese risco foi "exportado ao condutor", ao que se trasladaba toda a responsabilidade. Esa cuestión, a de se Adif analizou e xestionou ese risco segundo o establecido na normativa ferroviaria europea, está a ser o foco da investigación sobre o accidente de Angrois, na que a Audiencia Provincial da Coruña reclamou que se investigue de xeito expreso "se existiu e era normativa e tecnicamente necesaria unha avaliación integral do risco" no AVE Ourense-Santiago "que tivese en conta a situación de perigo concretamente existente na curva onde se produciu o accidente".En Valencia veñen de ser condenados catro membros do Comité de Seguridade na Circulación do Metro como responsables daqueles feitos, constitutivos de delitos de homicidio e lesións por imprudencia grave profesional e de delito contra o dereito dos traballadores como autores por omisión ou por cooperación necesaria. Outras catro persoas que chegaban ao xuízo como acusadas quedaron exculpadas no marco do acordo acadado por defensas, Fiscalía e acusación para evitar a vista oral e que os condenados non cheguen a entrar na cadea. Pola contra, en Santiago están imputados o maquinista e o daquela director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, os dous como posibles responsables de delitos de homicidio e lesións por imprudencia grave profesional, no caso do segundo polas dúbidas que existen sobre como se elaboraron e xestionaron as análises de riscos ferroviarios, pero sen considerarse que incumprise tamén a lei de riscos laborais, como en Valencia.A Fiscalía de Valencia pediu en fases previas que non se tivesen en conta as peritaxes alí de Cortabitarte por falta de independencia pero a decisión quedou pendente do xuízo oral que xa non chegou a celebrarseCortabitarte foi perito xudicial do accidente de Valencia antes de que ocorrese o de Angrois, e chegou a conclusións que exculpaban á administración. A posterior imputación de Cortabitarte en Santiago fixo que a Fiscalía pedise en Valencia que se rexeitase a súa peritaxe alí por falta de independencia, pero a Audiencia Provincial de Valencia rexeitouno dicindo que iso era algo que non se debía decidir naquelas fases previas da instrución senón no xuízo oral, que finalmente non chegou a celebrarse por admitir os catro condenados a súa culpa.
NOS_449
Considera que a recesión económica "vai ser tan grande" que requirirá de todos os esforzos e que o calendario de eleccións xa é "moi intenso". O Frente Amplo levou a cabo este domingo, data prevista para a consulta, unha campaña nas redes sociais.
O presidente de Chile, Sebastián Piñera, aformou que podería ser necesario pospoñer de novo o plebiscito para decidir se se cambia ou non a Constitución. A consulta, inicialmente prevista para o 26 de abril, xa foi adiada para o 25 de outubro debido á pandemia de coronavirus. Nunha entrevista emitida por CNN en Español, Piñera explicou que malia que aínda non se fixo "quizais si se volva discutir" no seo do Goberno. Argumentou, neste sentido, que a recesión económica "vai ser tan grande" que requirirá de todos os esforzos do país. Ademais, dixo que xa hai "un calendario de eleccións moi intenso" polos comicios municipais, parlamentarios e presidenciais. Piñera volveu defender a súa estratexia de corentenas selectivas e dinámicas no canto dun confinamento a nivel estatal e homoxéneo polo que optaron outros países para frear o contaxio do coronavirus. "É o que Chile debe facer para protexer a súa vida, a súa saúde e os seus ingresos", defendeu. Tamén insistiu en que a recuperación traerá consigo unha "nova normalidade". Así, a distancia social, as máscaras e as luvas seguirán "por moito tempo". "Terémonos que afacer a vivir co coronavirus", dixo. Críticas da oposición e da coalición Desde a oposición, mostráronse en contra dun segundo adiamento. É un "grande erro", dixo o senador do Partido Demócrata Cristián Jorge Pizarro. (POSTURA📍) Senador Pizarro ante posible postergación del plebiscito contituyente: "Hay una campaña política planificada entre el ex ministro Chadwick y el gobierno para sacar las prioridades del debate"#EnLaFontana⛲#DC #PPD #PR #PSVer nota👇https://t.co/P9QudmGMbs pic.twitter.com/ACvVAIFdrG— @EnLaFontana (@EnLaFontana_cl) April 27, 2020 O presidente do Partido Socialista, Álvaro Elizalde, considerou que o Goberno se contradía ao chamar ao "restabelecemento gradual da normalidade" ao tempo que cuestiona a organización do plebiscito, informa La Tercera. La crisis sanitaria que enfrentamos reafirmó la desigualdad estructural de nuestro país. Hoy se requiere más que nunca una #NuevaConstitución que consagre derechos. Este 26 de abril nos cuidamos, pero vamos con todo el 25 de octubre por el #Apruebo y la #ConvenciónConstitucional pic.twitter.com/s4fMGk4a0F— Partido Socialista de Chile (@PSChile) April 26, 2020 En Chile Vamos, coalición gobernamental, tamén xurdiron críticas. "Máis que evadir a elección ou a votación hai que buscar un mecanismo para facer eses procesos máis expeditivos", propuxo o senador de Renovación Nacional Manuel José Ossandón. La prioridad hoy es salvar vidas, sin Covid-19, estaríamos votando por el 🇨🇱 que todos juntos debemos construir.Yo hubiera marcado apruebo y lo haré también el 25/10.Nuestro país es mejor si todos participamos de la redacción de una nueva forma de trato social. #apruebochile pic.twitter.com/hhponIbWg0— Manuel José Ossandón (@mjossandon) April 26, 2020 Desde o Frente Amplo, coincidindo este domingo coa data prevista para o referendo, lanzaron unha campaña en redes. ¡El plebiscito va! Hoy recordemos junt@s nuestro compromiso con un nuevo Chile y el lograr una #NuevaRealidad. Escribe en un papel #AprueboCC y súbelo a tus redes con usando #AprueboCuandoSea#Apruebo ✔#ConvenciónConstitucional ✔ pic.twitter.com/LvDTU3kP4q— Frente Amplio Chile (@elfrente_amplio) April 26, 2020 Unha sondaxe de opinión publicada por Cadem afirma que 50% das persoas interrogadas está a favor de postergar o plebiscito até superar a crise da COVID-19, mentres que 35% cre que se debe manter a data do 25 de outubro, e 12% avoga por cancelalo directamente.
NOS_30243
A TVG emite este domingo o capítulo final da primeira tempada de"Hospital Real", baseada na historia do edificio que alberga o Hostal dos Reis Católicos. A actriz Sonia Castelo forma parte do amplo elenco desta serie que ofrece unha historia do século XVIII rodada en escenarios como o Pazo do Faramello ou o convento de Herbón. Defende que a serie aporta á TVG, ademais de entretemento e intriga, valores patrimoniais, culturais e históricos.
-Este domingo remata a primeira tempada de Hospital Real, que aporta á programación da televisión pública? Fala do noso século XVIII, como eramos e como se vivía en Santiago desde moitos ámbitos, coa investigación histórica, o primeiro deles. Explica a situación das distintas clases sociais e presta unha especial atención ás mulleres nas que pon o foco de maneira singular. Como se tiñan que comportar, ate onde debían chegar... o personaxe de Tamara Canosa ou o meu son mulleres moi diferentes, con ferramentas distintas para traballar diante da vida. A miña forma parte dunha nobreza que vive coa perpetuidade do apelido mais está tamén a burguesa que representa María Vázquez que quere romper fronteiras. Pódese coñecer o papel da muller en distintos estratos sociais. Ao meu ver, para unha televisión pública un proxecto como este é moi relevante e responde ao que é o seu obxectivo por lei, máis alá das audiencias. A serie promove valores patrimoniais, culturais e históricos e apórtalle estes valores engadidos á TVG. Os que queremos unha televisión que aposte pola calidade e diferenciación estamos contentos pola produción de "Hospital Real". -O mosteiro de Herbón ou o Pazo do Faramello son algúns dos escenarios de Hospital Real. Engaden tamén valor á serie? "É a primeira vez que se vende unha serie producida aquí a unha televisión estatal, neste caso á RTP, a canle portuguesa". Indubidabelmente. O patrimonial é un dos valores que aporta. Rodar nun pazo do século XVII, con decorados naturais, dá un valor engadido á produción. Estamos pisando a pedra que pisaron por aquel entón. A nós, os actores e actrices, dános moito traballo feito xa que non temos que trasladarnos a outro tempo. -Poñerse na pel dun personaxe do século XVIII é máis difícil que dunha muller do seu tempo? Agora comunicámonos máis coas mans, o espazo vital amplíase e a expresión corporal é maior porque hai máis liberdade que daquela. Naquel tempo os movementos eran moi contidos, mesmo a xesticulación facial. Todo isto é preciso telo presente mais tamén é certo que poñer os marabillosos traxes xa axuda porque o brígache a estar recta. A composición do personaxe vén tamén desde afora, perruquería, vestiario, maquillaxe... todo axuda. -Para esa equipa técnica o traballo é maior? Traballan arreo. A maquillaxe non era a mesma e as especialistas en maquillaxe non quedan aí senón que dan un paso máis. Hai produtos que daquela non existían. En vestiario, os corchetes non se usaban aínda e por iso non se poden poñer nos traxes.Compre ter todo isto en conta. Os de arte, por exemplo, teñen que ter coidado de que nun plano non saia un enchufe ou un cable. Cómpre ter vinte mil ollos para que non pase nada que non se corresponda ao seu tempo. -Pedro Alonso, Tamara Canosa, Miguel de Lira, Susana Dans, Carlos Blanco, Javier Gutierrez... o elenco é un dos fortes desta serie? É outro dos valores engadidos. Para min, a nivel persoal, é unha grande sorte traballar con compañeiros que dan moito, gozar no propio traballo. Ademais, moitos comezamos a un tempo e levamos xa anos neste mundo. -Na súa traxectoria as series televisivas ocupan un lugar especial, é un produto no que se sinte cómoda? Se boto a vista atrás vexo que tiven sorte. Na Galiza fixen "Mareas Vivas" que é un referente das series e agora estou en "Hospital Real"que é unha serie redondo. Fora participei en "Policías" ou "Motivos personales", entre outras moitas. Tiven a fortuna de participar en series que, ademais, me gustaban moito. -Dentro do mundo audiovisual, este é o momento das series televisivas? En Hollywood din que o mellor cine estase a facer en televisión. Hai grandes profesionais en todas as facetas e é case como facer cine comprimido aínda sen deixar de ser unha historia cunha trama que engancha, que te mantén pendente de cada capítulo. -Unha serie como "Hospital Real", producida por Ficcións Producións para a TVG, pode exportarse? Xa se exportou e é a primeira vez que se vende unha serie producida aquí a unha televisión estatal, neste caso á RTP, a canle portuguesa. Con "Mareas Vivas" distribuírase ás televisións autonómicas. A pesar de estar centrada no edificio do Hostal dos Reis Católicos a historia que conta é universal. -O seu papel non é que se dia bondadoso, como se leva meterse na pel dunha "mala"? Non creo que sexa mala. É unha muller que tivo que vivir coas armas e ferramentas da época. Estou certa de que agora non reaccionaría así. Non é doado saír adiante viúva e coa situación na que está.
NOS_47163
Hoxe inaugúrase no Museo do Humor de Fene unha retrospectiva da obra de Xaquín Marín, un pioneiro do cómic na Galiza cuxo estilo enlaza coa mellor tradición gráfica galega. A antolóxica, que poderá visitarse até finais de xuño, mostra o seu traballo desde as primeiras pinturas até o cómic, pasando pola viñeta e a ilustración.
O ano pasado, o xurado dos Premios Rosalía de Castro de Lingua destacaba na acta que lle outorgaba o galardón a Xaquín Marín "o compromiso continuado, o alcance social do seu traballo e o facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista e en medios de comunicación nos que a presenza do galego era residual". É un resumo axustado pero que apenas fai xustiza -sería imposíbel condensala nunhas poucas liñas- a unha traxectoria prolongada no tempo a quen se lle deben algúns dos fitos fundacionais do humor gráfico e da banda deseñada da Galiza. Hoxe inaugúrase no Museo do Humor de Fene unha exposición retrospectiva sobre o artista -Volta á orixe- que tentará dar conta do seu labor como pintor, ilustrador e humorista gráfico e, tamén, como defensor da identidade e da lingua. Pioneiro da banda deseñada Xaquín Marín naceu en Ferrol en 1943 pero axiña se trasladou xunto coa familia ao sitio exacto onde hoxe se levanta a Casa da Cultura de Fene. Alí, en 1984, fundou o Museo do Humor –o primeiro da península ibérica e un dos poucos no mundo no seu xénero– que agora lle dedica esta retrospectiva e que dirixiu até 2008. A mirada cáustica e, por veces case filosófica, das viñetas de Marín convertérono nunha das figuras máis relevantes do humor gráfico do país -o máis relevante desde Castelao, a xuízo de moitos estudosos-, cun estilo, ademais, fortemente enraizado na tradición plástica galega. A súa vocación primeira foi a de pintor, mais o encontro con Reimundo Patiño fixo que se interesase no cómic. Figuraría a partir daquela como pioneiro da banda deseñada do país despois de 1936, ao publicar a primeira historieta na prensa ("O emigrante", publicada na revista Chan en 1971) e ser coautor -xunto con Patiño- do primeiro álbum de cómic en galego, o célebre 2 viaxes, publicado inicialmente en 1975 e reeditado recentemente pola editorial Elvira. A particular perspectiva coa que ve o mundo permitiulle contar a través do debuxo, as mudanzas experimentadas pola sociedade galega ao longo de case seis décadas. Detrás da súa obra existe sempre unha mirada fondamente compasiva que denuncia a deshumanización da sociedade contemporánea e os males que ameazan á Galiza en particular: o caciquismo, a emigración, a desaparición da lingua, o desarraigo cultural, a destrución do medio natural, o machismo ou a renuncia á identidade propia son temas habituais das súas viñetas, sempre cunha ironía que cuestiona a falsa modernidade e unha idea espúrea de progreso. Xaquín Marín: "A retranca clásica galega estase a perder" A obra de Marín publicouse en numerosas publicacións galegas como Chan, Teima, A Nosa Terra, El Ideal Gallego e La Voz de Galicia (onde debuxa una viñeta diaria desde 1988); noutras do resto do Estado como Hermano Lobo, La Codorniz, Interviú, Posible, Diario 16, Pueblo o SP; ou noutras como as francesas Le Telegramme (Morlais) e Ouest-France (Rennes), a portuguesa Trevim (Lousã) ou a mexicana Norte (Monterrey). Unha parte desta abondosa obra está recollida en escolmas como Alcacén para gaitas (Ediciós do Castro, 1980), Feito a man (Xunta de Galiza, 1997), Trinta e tantos con Xaquín Marín (Edición de autor, 2001) ou O humor desde Ferrol: Siro e Xaquín Marín (FerrolAnálisis, 2009). Marín ten recibido, entre outros, o Premio Galicia de Xornalismo (1984 e 1989), o Premio Galicia de Comunicación (1996 e 1997) ou o Premio da Crítica de Galicia en Artes Plásticas (2015). Actividades arredor da obra A antolóxica do Museo do Humor, que poderá visitarse até o 29 de xuño, mostrará unha ampla selección da súa obra -unhas 150 pezas-, desde as primeiras pinturas ao cómic, pasando polas viñetas publicadas en prensa ou as súas ilustracións. Pero ademais, contará con outras exposicións paralelas: unha bibliográfica na Biblioteca Municipal Xosé María Pérez Parallé e outra de reproducións de viñetas do seu popular personaxe Isolino no Paseo Marítimo de San Valentín. O 12 de maio, para completar o evento, o autor manterá un encontro aberto co investigador Félix Caballero, e o 27 do mesmo mes, desenvolverá unha conversa co pintor Antón Patiño e co deseñador Pepe Barro. Un estilo inconfundíbel alicerzado na mellor tradición plástica galega Os estudosos detectan na obra de Marín as características que Luís Seoane e Reimundo Patiño consideraban recorrentes na tradición plástica galego: hieratismo, aparencia pétrea, tratamento esquemático das figuras, formas redondeadas, volumes simétricos... Ademais, o detalle dos primeiros planos, a coidada composición da viñeta, o coidado dos fondos e a orixinalidade dos bocadillos son tamén características que o dotan dunha personalidade inconfundíbel. O Día da Ilustración Galega recupera a figura fundamental de Reimundo Patiño
NOS_22499
O tráfico pola autoestrada reduciuse en 2020 un 28%.
Unha facturación de 128 millóns de euros e uns beneficios nese ano de case 34 millóns. Son dúas cifras dos resultados económicos de Audasa nun exercicio, 2020, marcado pola pandemia do coronavirus e o seu impacto na mobilidade. Autoestradas da Atlántico SA (Audasa) presenta na súa conta de resultados de 2020 unha facturación de 127,9 millóns de euros, nun exercicio marcado polas restricións á mobilidade derivadas da pandemia do coronavirus e a sentenza xudicial que restablecía o sistema de peaxe en sombra de 2006. O tráfico da AP-9 diminuíu nun 28,1%, alcanzando o seu mínimo histórico no mes de abril, durante o confinamento domiciliario, cunha media de 5.440 vehículos diarios. A intensidade media diaria ( IMD) da autoestrada, incluíndo os tramos de peaxe e gratuítos, descendeu até os 17.546 vehículos/día, a máis baixa desde que se completou en 2004 o seu trazado entre Ferrol e Tui. O tráfico da AP-9 acadou o seu mínimo histórico no mes de abril, durante o confinamento domiciliario, cunha media de 5.440 vehículos diarios. O 19 de febreiro de 2020, o Tribunal Supremo decretou a nulidade do Real Decreto 803/2017 que regulaba o abono á concesionaria dos percorridos libres de peaxe para os usuarios dos tramos A Coruña-A Barcala e Vigo- Morrazo, restableceu a vixencia do Real Decreto 633/2006 e recoñeceu o dereito de Audasa a que se lle resarzan os prexuízos causados pola implantación en 2017 do novo sistema de retribución da peaxe en sombra. Como consecuencia deste fallo xudicial, os ingresos de peaxe incrementáronse en 2020 en 16,6 millóns de euros (11,5 millóns de euros corresponden a xullo de 2017-decembro 2019 e 5,1 millóns de euros ao exercicio 2020). De non considerar devanditos ingresos extraordinarios, o beneficio diminuíría un 48,9%, en relación a 2019. O grupo Itínere, do que forma parte Audasa, destinou integramente os dividendos da concesionaria galega en 2020 a reducir o endebedamento derivado da adquisición ao Estado español da Empresa Nacional de Autoestradas SA (privatizada en 2003 por importe de 1.622 millóns de euros).
PRAZA_4961
O Goberno galego di estar á espera de coñecer os "parámetros" que definen un "consumidor vulnerable" para decidir se os axuda ou non. Mentres, o PP rexeita no Congreso e no Parlamento evitar os cortes de luz durante o inverno.
Os fogares galegos nos que entran menos de 1.000 euros ao mes tiveron que afrontar unha suba do gasto na factura da luz de case o 60% en tres anos, pasando de apenas 28 euros mensuais en 2008 a case 45 en 2011, segundo datos do Instito Gaelgo de Estatística. Isto acontece nun contexto no que dous de cada tres habitantes admiten chegar con dificultades a fin de mes e co 18,3% dos fogares de Galica sen "unha temperatura suficientemente cálida durante os meses fríos", por riba da media estatal atendendo ás estatísticas do INE. Ante esta problemática, agudizada pola crise económica e englobada baixo o nome de "pobreza enerxética", colectivos sociais e grupos políticos da oposición veñen reclamando medidas concretas da Xunta, que agora di valorar a posibilidade de establecer "algunha axuda" mentres, no entanto, o PP rexeita todos os plans que se lle propoñen. O primeiro rexeitamento expreso ao respecto chegou o pasado decembro no Congreso dos Deputados. Alí o grupo de Izquierda Plural propuñar seguir a recomendación do Comité Económico e Social Europeo e, entre outras medidas, xeralizar as denominadas "treguas invernais", isto é, as limitacións ao corte de subministros enerxéticos durante os meses fríos que xa funcionan noutros Estados do continente. A iniciativa defendida pola deputada Laia Ortiz bateu contra a maioría absoluta do PP, que a través do deputado Mario Francisco José Flores non considerou "xustificada" a proposta despois de "solidarizarse" con "aquelas persoas que teñen dificultades para manter un fogar en condicións". "Compromiso e sensibilidade social non lle faltan a este Goberno", agregou. O PP rexeitou no Congreso e no Parlamento establecer treguas invernais A batalla política para a aprobación de medidas concretas contra a pobreza enerxética dábase tamén naquelas datas en Galicia, onde o BNG xa traballaba tamén en iniciativas para impedir "os cortes de subministro eléctrico a familias sen recursos que non teñen cartos para pagar as facturas", cando menos "durante o período máis duro do inverno". "Os niveis de pobreza en Galiza, así como as duras condicións climatolóxicas deste inverno fan especialmente necesario que o Parlamento galego se posicione a respeto da pobreza enerxética e das súas dramáticas consecuencias", argumentaron nunha iniciativa asinada por Francisco Jorquera e Carme Adán. A proposta chegou ao pleno do Parlamento a mediados de febreiro e alí Adán censurou que "existan millóns de euros para rescatar a banca e ás empresas, mesmo aquelas que se dedican a enerxía, gas ou petróleo pero non existen cartos para sufragar ás familias que non poden acceder neste momento á luz". O PP, de novo, votou en contra. Esperando a Rajoy e Soria O debate volveu ao Parlamento galego esta mesma semana, desta volta da man de AGE, que a través de Juan Fajardo instou o conselleiro de Industria a aclarar se entra nos plans do Executivo aplicar "un programa de fogares habitables" en forma de "axudas económicas para garantir o subministro dos elementos enerxéticos básicos para que ningún fogar os perda por impago". O titular de Economía, Francisco Conde, asegurou coñecer os "apuros" de "moitas familias para facerlles fronte aos seus hábitos de consumo e gasto enerxético", un problema que "non é novo". O gabinete de Alberto Núñez Feijóo, asegura, traballa para "mellorar a situación social das familias" dende a convicción de que "a mellor política social é a creación de emprego e por esa meta traballamos cada día". O Goberno central, pola súa banda, argumentou, está traballando para "corrixir a herdanza que deixou o PSOE en canto ao déficit tarifario e o seu impacto no prezo da luz". A Xunta di estar agarando "a que se definan os parámetros para que un consumidor teña a consideración de vulnerable" Esa espera polas decisións do Goberno central é tamén un dos argumentos nunha resposta parlamentaria sobre o mesmo tema que a Xunta lle fixo chegar a AGE. Nela o Goberno di ser "consciente" de que en Galicia "existen persoas que viven en fogares con pobreza enerxética" e, posto que é "un Goberno comprometido socialmente, non ignora este gravísimo problema". "Neste sentido", o Goberno reproduce a definición de "consumidores vulnerables" que recolle a nova lei do sector eléctrico e a súa regulamentación do coñecido como bono social e acrecenta a súa explicación evidenciando que "en Galicia tempos a Risga [Renda de Inserción Social], destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles". Pero, que van facer para evitar a pobreza enerxética? "A Xunta de Galicia está estudando a posibilidade de habilitar algunha axuda en concepto de subsidio eléctrico e social", pero non o fará polo momento. A razón é que "está á espera de que se definan claramente os parámetros que van ser necesarios cumprir para que un consumidor eléctrico teña a consideración de consumidor vulnerable". Queda menos dun mes de inverno.
NOS_37532
O Constitucional luso ten nove nomes de candidatos para as eleccións do vindeiro 24 de xaneiro.
Aínda non se deron a coñecer oficialmente os nomes, mais Portugal xa ten nove candidatos a ocupar a Presidencia da República. Entre eles está o actual titular do cargo, Marcelo Rebelo de Sousa (Partido Social Demócrata), que se postula á reelección. Fronte a el estarán Ana Gomes (Partido Socialista) Marisa Marías (Bloco de Esquerda), João Ferreira (Partido Comunista Portugués), Tiago Mayan Gonçalves (Iniciativa Liberal), André Ventura (Chega) e Vitorino Silva (Reagir Incluir Reciclar), que presentaron publicamente a súa candidatura a Belem. Xunto a estes sete nomes habería outros dous candidatos, xa que o Tribunal Constitucional luso recibiu documentación de nove candidatos. Un deses dous 'tapados' podería ser Eduardo Baptista, quen acudiu á corte para formalizar a candidatura a pasada cuarta feira. A lista definitiva de candidatos aos que poderá votar a cidadanía portuguesa o vindeiro 24 de xaneiro darase a coñecer esta segunda feira. Con todo, os xuíces teñen até o 4 de xaneiro para verificar os avais de cada unha das candidaturas. Ás presidenciais de xaneiro, que serán as primeiras eleccións nacionais en Portugal no medio da pandemia da Covid-19, presentáronse inicialmente dez precandidatos, mais só nove lograron cumprir cos requirimentos para formalizar a súa candidatura, como o de entregar 7.500 sinaturas de votantes ante a Corte Constitucional antes desta quinta feira ás catro da tarde. Orzamentos de campaña Após entregar as sinaturas exixidas, os candidatos tamén teñen a obriga de presentar os seus orzamentos de campaña á Entidade de Contas Políticas e Financiamento. Teñen para iso até esta segunda feira, 28 de decembro. Segundo revelan medios portugueses, Ferreira é, até o de agora, o candidato que prevé gastar máis cartos: 450.000 mil euros. Ventura conta gastar 160.000 euros na campaña. Gomes, 50.000 euros, e Mayan Gonçalves prevé gastar 40.000 euros. O actual presidente da República, pola súa banda, orzou a súa campaña en 25.000 euros. Outro dos aspectos que se desvelarán o día 28 é a orde en que aparecerán as candidaturas nas papeletas de votación, que logo se colocará nun aviso na porta do Tribunal Constitucional.
NOS_6189
A xustiza quere analizar o envorcado de contidos dos móbiles pero en primeira instancia denegouse o acceso.
Estados Unidos de América (EUA) pediu ao Xulgado de Instrución número 8 da Coruña información para determinar se permite o acceso ás mensaxes en redes sociais como Instagram ou WhatsApp dos detidos polo crime de Samuel Luiz. Polo tanto, nun primeiro momento denegou eses datos. Así o confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), despois de que por parte do xulgado se fixese un requirimento para ese efecto. Desde o TSXG, sinalaron que o fiscal norteamericano que ten que solicitar ao xuíz os datos pedidos polo Estado español -no sistema legal estadounidense é fiscalía quen asume esta función- entendeu que non podía "defender o caso" cos documentos que se lle mandaron. Por este motivo "pediu que se ampliase a información e que se fixese a solicitude de novo acorde ás leis procesuais americanas, que son moi diferentes ás españolas", apuntaron desde o TSXG. Analizar o envorcado de datos das persoas detidas Desde o xulgado estiveron traballando nese tema en colaboración coa maxistrada de apoio do Estado español en Washington. "E está a piques de enviar outra comisión rogatoria adaptándose aos requirimentos das autoridades americanas". Segundo as mesmas fontes "ao mellor finalmente o asunto non prospera, mais os tribunais de alí aínda non se pronunciaron", apuntaron en relación a unhas actuacións vinculadas á investigación. Entre outras cuestións, a petición céntrase en analizar o envorcado de datos dos móbiles das seis persoas detidas: cinco homes, dous deles menores, e unha muller. Deles, tres están en prisión en relación a uns feitos ocorridos na madrugada do pasado 3 de xullo no paseo marítimo coruñés.
PRAZA_18051
Ante a negativa do Concello a subvencionar a actividade ou a ceder terreos municipais, un empresario taurino prevé instalar unha praza móbil nunha propiedade privada e espera que o espectáculo teña lugar o 22 ou o 29 deste mes. A última corrida na localidade celebrouse en 2014.
En xuño de 2014 celebrouse por última vez unha corrida de touros en Sarria, no marco das festas de San Xoán. Aquel día Jesulín de Ubrique ou Julio Benítez El Cordobés encheron unha pequena praza móbil, instalada na localidade. As eleccións de maio de 2015 trouxeron un cambio de Goberno no concello e José Antonio García López (PPdeG) foi substituído por Pilar López Yáñez (PSdeG-PSOE), que entre as súas primeiras medidas rexeitou subvencionar a corrida prevista para as festas de San Xoán dese ano. Un empresario taurino conseguiu convencer ese ano ao Concello de Triacastela, moi próximo a Sarria, para organizar alí unha tourada no mes de agosto, pero a iniciativa non callou e o verán seguinte a comarca ficou por fin libre de espectáculos taurinos. En maio, o Concello negouse a autorizar a petición por vía de urxencia, tramitándoa como un procedemento máis, o que impediu a celebración da corrida en xuño e tamén en agosto As touradas poderían regresar este mes a Sarria, nunha iniciativa do empresario Juan Santos, que xa o pasado mes de maio solicitou o permiso municipal para instalar unha praza móbil na vila durante as celebracións do San Xoán, o que espertou as protestas de numerosos colectivos na vila, que reuniron máis de dúas mil sinaturas. O Goberno municipal, formado por PSdeG-PSOE, BNG e unha concelleira non adscrita, mantén a súa negativa a subvencionar espectáculos taurinos ou a ceder materiais ou terreos públicos para estas prácticas, pero o empresario conseguiu alugar un predio de propiedade privada para a instalación da súa praza. O Concello negouse a autorizar a petición por vía de urxencia, tramitándoa como un procedemento máis, o que impediu a celebración da corrida en xuño e tamén en agosto. Porén, o empresario taurino mantivo a súa intención de organizar o espectáculo neste mesmo mes de setembro e asegura contar xa con todos os permisos municipais e só necesitaría xa da derradeira autorización por parte do Concello, que en principio non se podería negar á súa concesión, dado que as touradas son unha actividade legal (a Lei de Benestar Animal aprobada polo PP o pasado ano exclúe a tauromaquia do seu ámbito de aplicación) e o espectáculo realizaríase nun terreo privado. A corrida podería celebrarse o domingo 23 ou, no caso de que a autorización chegase máis tarde, o domingo 30. O lugar onde se instalaría a praza móbil estaría na zona de Fontao, preto dos institutos. O empresario anunciara en maio que Juan José Padilla, Miguel Abellán ou José Antonio Canales Rivera participarían na tourada, un cartel que se mantería "sexa cando sexa". O empresario conseguiu alugar un predio de propiedade privada para a instalación da súa praza Colectivos como Galicia, Mellor Sen Touradas comezaron xa a organizarse contra a a celebración desta corrida de touros. E tamén o grupo Podemos Animalista Sarria convocou unha asemblea para este luns 17 (Praza da Vila, 20 horas) para dar "unha contundente resposta" á organización desta tourada. O número de espectáculos taurinos celebrados en Galicia leva anos en claro descenso. Entre 2007 e 2013 movíanse entre 10 e 12 corridas ou novilladas anuais (chegaron a ser 15 en 2009), pero xa en 2014 descenderon a 8 e en 2015, coa desaparición da feira taurina da Coruña, ficaron en 5 (tres en Pontevedra e as de Padrón e Triacastela). En 2016 e 2017 a cifra ficou nas tres touradas organizadas en Pontevedra, desaparecendo as demais.
NOS_24217
Segundo afirma DO, a Xunta Eleitoral tería comunicado ás persoas que presiden as mesas que ordenen aos interventores do PP a retirada de calquer material de propaganda.
DO -formación á que algúns inquéritos non publicados dan opción de representación pola provincia de Ourense- denunciou o Partido Popular face a Xunta Eleitoral por exhibición de "propaganda eleitoral" nos colexios. En concreto, reférese aos portafolios que levaban as e os interventores do PP en que aparecerían retratados o rosto de Feijóo e o slogan de campaña. Nalgunhas das mesas, e requeridos a tal efeito polos presidentes, as e os interventores do PP negáronse en primeira instancia a retirar estes soportes publicitarios, sempre segundo DO. Tivérono que facer finalmente ao chegar a orde da Xunta Eleitoral.
NOS_14213
Adega cualifica como "extrema irresponsabilidade" as medidas que a Consellaría de Medio Ambiente vén de lanzar para reducir o tamaño da poboación de xabaril en 33 concellos galegos sen límite de cota e a diario ata o 29 de febreiro de 2020.
"A presencia intensa de armas de caza no monte sen ningún tipo de limitación pode acabar con accidentes certamente lamentables. Cazar todos os días, sumando os días hábiles -quinta e domingo-, coas segundas, terzas, cuartas, sextas e sábados, ou de noite, e que agricultores poidan realizar esperas pola súa conta (aínda que sexa asistidos e con permiso) son actividades puramente cinexéticas, que na práctica non son controlables", alerta Adega nun comunicado emitido hoxe. Os ecoloxistas lembran que no país non hai costume de que se cace fóra dos días hábiles, "e iso quen anda no monte sábeo". Sobre a emerxencia cinexética, que precedeu as medidas anunciadas, Adega sinala que non ten constancia dunha situación deste cariz antes na Galiza, e lembra que a declaración debe responder "a que fique acreditada a existencia dunha situación especialmente perigosa, así como ter acreditado o tamaño da poboación". "Se ben a ameaza de que puidese chegar a peste porcina está presente, non vai ser controlada con estas medidas", sosteñen os ecoloxistas, e recomendan que o prudente sería aprobar un protocolo "serio" de bioseguridade. Ademais, din que non se ten realizado unha estimación do tamaño da poboación "con criterios obxectivos" nin será posíbel facelo "mentres non se teña elaborado un Plan de xestión do xabaril". Desde Adega explican que os avisos por danos ou motivacións alleas a criterios técnicos "non poden ser a base sobre a que a Xunta sustente unha emerxencia cinexética".
NOS_12351
O chamado modelo Pontevedra é case de dominio público. Recoñecementos e galardóns á decidida aposta do consistorio polos peóns e o espazo público máis alá do automóbil acumúlanse no concello. Pero a estratexia vai alén da intensa reforma urbana iniciada en 1999. Coidar o pequeno comercio é unha das preocupacións principais do Goberno local.
"A recuperación da cidade segundo o novo modelo serviu tamén para recuperar o seu dinamismo demográfico, económico e vital", afirma o propio concello, presidido por Miguel Anxo Fernández Lores do BNG, na súa defensa do "modelo de cidade". Nesa liña é que entende e impulsa a política comercial e presume de "evitar a disgregación comercial". Porque unha mobilidade distinta, non centrada no coche, precisa de "comercio de proximidade, que xera moito menos tráfico a motor que os centro periféricos". En Pontevedra só existe un centro comercial periférico que, segundo os datos do propio concello, só recibe un 15% dos habitantes da cidade unha vez ao mes. O 90% das pontevedresas e pontevedreses, pola contra, "realizan as súas compras cotiás en radios de proximidade dos seus domicilios". O Goberno local exhibe cifras e asegura que o sector terciario medrou 7,1 puntos porcentuais entre 2001 e 2015, "período de realización da reforma urbana". O BNG senta na alcaldía desde 1999 e aspira a revalidala este 26 de abril. "Comercio hostalería ou servizos, localizados en zonas liberadas de automóbiles, experimentaron un desenvolvemento notábel", di o Executivo. Un dos sectores que salienta é o relativo aos alimentos frescos, cuxo acceso considera "unha das claves da calidade de vida". Asóciano á "cómoda mobilidade peonil urbana" que "permite utilizar estes estabelecementos con facilidade". "As persoas poden prescindir de mercar en grandes superficies para as compras perecedoiras", engade, "e moitos estabelecementos teñen servizo rápido a domicilio ou permiten levar á casa os carriños de rodas". Capital Shopping Máis alá da peonalización e as radicais mudanzas na mobilidade, núcleo do seu apoio ao comercio local, o Concello de Pontevedra tamén promove accións concretas. Pontevedra Capital Shopping é, talvez, a de maior alcance, deseñada para "reforzar a capacidade de atracción da capital como área comercial urbana". "Grazas á non proliferación de centros comerciais periféricos que compitan cos negocios da cidade", afirma ao respecto o concello, "as redes habituais do comercio local manteñen unha alta capacidade de atender a demanda existente". O Capital Shopping organizou desfiles de moda, unha guía do comercio local cunha aplicación para móbil e unha campaña de promoción exterior titulada Coñécesme?
NOS_8294
O que comezou como celebración dos lazos musicais da Galiza cos países de lingua portuguesa é xa a descrición dunha xeografía cultural de maior alcance: a que une a música galega coas súas próximas "emocionais". O festival Cantos na Maré, cuxa décimo quinta edición decorre entre o 13 e o 15 de setembro en Pontevedra, quere ser un mapa de conexións e tesouros.
A idea de "mapa emocional" corresponde a Vítor Belho, un dos ideólogos do encontro e produtor executivo do mesmo. Desde o pasado ano, e en alianza coa directora artística da cita, Uxía, procura unha matización de obxectivos. Ademais dos territorios da chamada Lusofonía, queren que o radar da Maré alcance outras culturas historicamente ligadas á Galiza: as da América Latina, as que representan a pluralidade lingüística do Estado español, as que se reparten polas beiras do Atlántico Norte. É así que nesta edición do festival estará Clara Peya (domingo, 15 de setembro, na praza da Pedreira), premio Nacional de música de Catalunya e artista que produce unha singular aliaxe de jazz suave, rap, electrónica sutil. Ou a arxentina Vive Pozzebon (sexta feira, 13 de setembro, na praza da Pedreira), que cruza ritmos africanos e tradición latina. Ou Enredadas (domingo, 15 de setembro, no Pazo da Cultura), alianza de Uxía, Martirio, Carmen París e Ugia Pedreira. Mais o groso da proposta segue a pertencer a artistas procedentes dos Palop (países de lingua oficial portuguesa). Polo escenario da praza da Pedreira pasarán a sexta feira, 13 de setembro a partir das sete do serán a galega Laura LaMontagne, Vivi Pozzebon, a brasileira Bia Ferreira -autora do himno contra Bolsonaro Cota não é esmola- e DJ Mil e Mohammed Yahya, galego e mozambicano respectivamente. Ao día seguinte, sábado 14 de setembro ás oito e media do serán no Pazo da Cultura, un dos pratos fortes: a caboverdiana Mayra Andrade, que en Manga (2019) deixa atrás o seu estilo habitual e adéntrase polas sonoridades urbanas e r&b. Simultaneamente, a praza da Pedreira vivirá outra xornada intensa, coas brasileiras Livia Mattos e Brazil Dub, as galegas Zeltia Irevire, os brasileiro mozambicanos Napalma e o acordo transfronteirizo Tierra Fértil, con músicos galegos, cubanos, guineanos ou brasileiros. O domingo 15 de setembro os epicentros serán o Teatro Principal, co jazz de María João e Pablo Lapidusas á unha do mediodía e logo Clara Peya, e mais o Pazo da Cultura, onde estarán Enredadas. Pero o Cantos na Maré achega non unicamente música. O Museo de Pontevedra acollerá cinema e performances, entre elas a Melancholemia de Antón Reixa (domingo, 15 de setembro, ás 12 da mañá) ou o Apatacón de Vero Rilo e Faia Díaz (sexta feira, 13 de setembro, 17.00 horas). E a Libraría Paz dúas presentacións de libros: o repaso pola vida e obra de Sindo de Oleas, mestre da concertina, obra de Xurxo Souto e Pedro Pascual (sexta feira, 13 de setembro, ás doce e media da mañá), e Guadi Galego. Pola beira da canción, de Pepe Cunha (sábado, 14 de setembro, á unha do mediodía). As entradas para o 15º festival Cantos na Maré están á venda no seu web (cantosnamare.com), en forma de abono para as tres xornadas ou por actuacións separadas.
PRAZA_9881
O cabeza de lista ao Congreso por Lugo, José Manuel Blanco, asegura que o ex-presidente da Xunta e ministro con Franco "non consentiría a corrupción do PP" nin estaría de acordo coa deriva de Casado, malia que o seu daquela número 3, Pablo Crespo, foi condenado na Gürtel
O cabeza de lista ao Congreso por Lugo, José Manuel Blanco, asegura que o ex-presidente da Xunta e ministro con Franco "non consentiría a corrupción do PP" nin estaría de acordo coa deriva de Casado, malia que o seu daquela 'número 3', Pablo Crespo, foi condenado na GürtelO cabeza de lista de Ciudadanos ao Congreso por Lugo, José Manuel Blanco, convocou este martes aos medios de comunicación na alameda de Vilalba, a vila natal de Manuel Fraga, para facer público o seu recoñecemento ao falecido ex-presidente da Xunta xunto ao busto co que foi homenaxeado cando deixou de ser ministro de Franco. Alí Blanco asegurou que Fraga "non consentiría a corrupción do PP" nin estaría de acordo coa deriva política de Casado á fronte do partido. Porén, hai un ano a condena polo caso Gürtel converteu a quen foi número 3 de Fraga á fronte do PPdeG, Pablo Crespo, no primeiro deputado da historia da autonomía galega encarcerado por corrupción. O propio Crespo declarou no seu momento que naquela época, con Fraga á fronte, era habitual o pagamento de sobresoldos con diñeiro negro.O candidato de Ciudadanos, que foi militante do PP, quixo reivindicar as ideas e o traballo de Fraga asegurando que baixo o paraugas de Ciudadanos cabe todo o mundo, e simbolizouno abrigando co seu o busto do político falecido en 2012. Unha escultura rodeada de polémica e que xa desapareceu en varias ocasións dese emprazamento no que foi instalada en 1970, a última vez a finais de 2017, para acabar sendo instalada outra copia, mellor ancorada, o pasado ano polo Concello tras un custo de 7.200 euros.O candidato de Ciudadanos tamén criticou que o ex-alcalde de Vilalba Gerardo Criado fose o que menos iniciativas presentou como senador esta lexislaturaEste martes Blanco tamén quixo lembrar a última ocupación política de Fraga, a de senador, salientando tamén dela a dedicación do ex-presidente galego e comparándoa coa do ex-alcalde de Vilalba Gerardo Criado, que ocupou un escano na Cámara Alta esta pasada lexislatura destacándose como o representante galego con menos iniciativas presentadas. "Fraga non permitiría cousas como estas", salientou o candidato de Ciudadanos.
QUEPASA_402
Este sábado 23 de marzo, a Casa da Cultura de Corcubión acolle unhas máis que interesantes Xornadas sobre Sostibilidade do Mar e o Monte. Xa temos falado cunha das ponentes Rosa Arcos, presidenta de FADEMUR e con Monte Veciñal de Carballo: José Manuel Iglesias, membro da Comunidade de Monte Veciñal de Carballo de Friol. Hoxe viramos a estribor, fixámonos no mar, con Rita Míguez, Presidenta da Asociación de Mulleres de Pesca ANMUPESCA.
Unha entidade sen ánimo de lucro que une a día de hoxe entidades de toda a península, sendo Galicia e a Costa da Morte as zonas máis involucradas. Forman parte da asociación, ademais activamente, a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, a Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme, a Asociación de Redeiras O Fieital de Malpica, a Asociación de Mariscadoras do Río Anllóns, e a Asociación de Mulleres do sector pesqueiro Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia. QPC: Que representa ANMUPESCA e cales son os seus obxetivos? ANMUPESCA é unha entidades en ánimo de lucro que suma 30 asociacións de distintas profesionais do sector: mariscadoras, redeiras, comercializadoras e armadoras. En total somos xa 15.000 socias e socios repartidos por seis Comunidades Autónomas (Galicia, Asturias, Cantabria, Comunidade Valenciana,, Andalucía e Madrid) e o que pretendemos é visibilizar o traballo da muller no sector da pesca e loitar por mellorar a súa situación socio laboral. QPC: Cales son as reivindicacións actuais de ANMUPESCA? Na actualidade, estamos moi centradas na solicitude da revisión dos coeficientes redutores e a súa consecución para o colectivo de redeiras, xa que é o único do sector da pesca que aínda non o teñen recoñecido cando traballan nunhas condicións durísimas. Tamén estamos traballando no recoñecemento de varias enfermidades que nos son catalogadas como común pero que claramente se derivan dos nosos traballos. E todo isto tentando visibilizar o noso traballo. QPC: Que funcións desenvolve a muller no sector da pesca? A muller está en toda a cadea de produción do sector da pesca e incluso antes porque somos as que reparamos e confeccionamos as redes que logo os barcos levan a faenar e coas que se captura o peixe. Somos tamén mariscadoras, recollemos o produto e tratámolo en fábricas, transportámolo e vendémolo nas lonxas e mercados e aínda máis, somos as que decidimos os menús das nosas familias. Estamos en todo o proceso. QPC: Como ves futuro da muller no sector? Pois sinceramente, moi prometedor. Creo que estamos dando pasos moi firmes e que contribuirán a mellorar o sector en xeral, porque iso é o que nos move. Somos conscientes de que somos parte e axentes fundamentais para seguir xerando confianza e rendibilidade no noso ámbito. QPC: Desde cada a vosa experiencia, cales considerades que son os retos máis urxentes para a sostenibilidade do mar en Galicia? Creo que o máis inmediato é que a sociedade actual chegue ao entendemento de que é preciso un equilibrio entre o modo de vida que leva e o benestar xerado e o respecto polo medio natural que será o escenario de futuras xeracións. Creo que todos temos que ser conscientes de que a nosa responsabilidade pasa por legar aos que veñan un medio natural que os poda seguir surtindo de alimentos, paisaxe e outros recursos da natureza, iso sen perder de vista a nosa calidade de vida. QPC: Que problemáticas ou asuntos concretos cres que se debes visibilizar máis nos vosos sectores de cara a lograr unha conciencia colectiva social máis rica? Desde o ámbito da pesca xa nos demos conta hai tempo de que a supervivencia das especies e a rendibilidade do sector pasan por seguir mantendo as cotas de captura pero a isto engádese agora a salubridade das augas mariñas, que son un contedor de residuos e sobre todo de plásticos que tanto dano están facendo ao medio mariño. Creo que este é un problema de todos e pouco a poucos estámonos concienciando de que temos que reducir a xeración de estes residuos, pero tamén nos preocupan outros efectos coma o quecemento das augas e o seu impacto nas especies das nosas costas. QPC: Cales son as ausencias administrativas máis acuciantes respecto da cobertura e apoio cara aos vosos ámbitos de traballo? E cales considerades que puidesen ser unha boa batería de iniciativas positivas de apoio? Desde a nosa perspectiva, cremos que temos que mecanizar o mar, temos que innovar para implantar ferramentas que axuden ás mulleres e homes da pesca nas súas tarefas diarias e que as fagan máis doadas. Faltan estudos sobre indumentarias de traballo para mariscadoras e redeiras, faltan tamén proxectos sobre instrumentos de traballo máis lixeiros, falta recoñecemento ás nosas enfermidades e falta sobre todo acabar de profesionalizar as nosas profesións, con coberturas sociais axeitadas e remuneracións acordes ao traballo realizado. QPC: Considerades que ante o estado de degradación xeneralizada do planeta e dos seus recursos hai un aumento de sensibilización social respecto diso ou unha aposta social e política por iniciativas que integren propostas máis sostenibles co planeta, igualitarias en canto á perspectiva de xénero, ou que incorporen máis e distintas sensibilidades cara ao coidado? Creo que nos últimos anos se ten avanzado nesta dirección pero hai moito camiño por facer. Non ten sentido que se aproben grandes liñas estratéxicas a nivel internacional de respecto polo planeta cando logo, os países máis desenvolvidos, non están dispostos a cumprilas. Ante isto, cremos que os exemplos individuais e a suma destes vai ir concienciando de que o futuro pasa polo respecto e coidado do noso medio natural. QPC: Que lles dirían aos mozos que nun futuro teñan ou desexen desenvolver proxectos de vida e traballo no rural galego? Que sexan respectuosos co medio rural, que non intenten modifícalo e que lle saiban sacar partido ás súas vantaxes e rendibilidade ás súas eivas.
NOS_6920
Crean a Asociación de Turismo Sostíbel da Galiza para velar polos intereses do sector. Denuncian a competencia do alugueiro particular de vivendas turísticas no rural e a falta de diálogo coa Xunta da Galiza.
"Non se valora abondo o noso traballo por parte da Xunta". Así de contundente é o voceiro dunha nova entidade que reúne propietarias e propietarios de casas de turismo rural que denuncian a proliferación do alugueiro de vivendas particulares nos mesmos municipios onde traballan. José Picallo, voceiro da acabada de crear Asociación de Turismo Sostíbel da Galiza, explica a Nós Diario que a idea de facer unha entidade para defender os seus intereses xurdiu o ano pasado, cando se reuniron por vez primeira e conseguiron frear a eliminación do programa Outonos Gastronómicos, que desde Turismo da Galiza pretendían suspender, despois de 14 edicións, en 2020. "Conseguimos que mudaran de idea unindo forzas, polo que nos animamos a seguir", relata este hostaleiro. O seguinte paso foi unha reunión co presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, a finais de xuño do ano pasado na que se acordou ter unha xuntanza coa Consellaría que, a día de hoxe, non tivo lugar. "Consideramos que a Xunta da Galiza presume en medios de comunicación e feiras do turismo rural galego, mais non está dando os pasos que deberían darse para a defensa do mesmo", afirma Picallo. Esta mesma semana decidiron darlle pulo á asociación e enviaron unha proposta de adhesión coas súas demandas a todas as casas de turismo rural galegas. A resposta superou as expectativas e consolida esta nova organización. "En 24 horas contestaron unhas cincuenta e agardamos que aumente o interese nos vindeiros días", asegura. A competencia do alugueiro particular A problemática de alugueiro de vivendas para uso turístico tamén se está a dar no rural galego e o sector profesional considera que é prexudicial para eles. "Era un segredo a voces entre todas e todos", asegura este profesional do aloxamento, "ten a súa semellanza co que acontece nas cidades galegas, tendo en conta que mudou a forma de reservar e mesmo de viaxar", engade. Desde esta asociación non están en contra deste novo modelo, mais piden "máis profesionalidade" para non danar a imaxe que se creou na Galiza. "Ten que haber un control dos aloxamentos que hai no rural e teñen que intervir tamén os concellos", demanda Picallo. Asume que ese tipo de vivendas paga a súa cota, mais "hai un baleiro legal que moitos aproveitan". Para argumentar a súa postura desde esta asociación informan de que das 16.000 prazas hoteleiras que hai na Galiza "un total de 12.000 estarían ofertadas por vivendas de uso turístico, delas algo máis de 10.000 son de particulares". Este tipo de aloxamentos proliferan, segundo Picallo, por saírlles máis a conta "como na propia recollida do lixo, na que nós temos que pagar igual que un restaurante". Outra das súas preocupacións, e un dos puntos centrais da asociación, é a sostibilidade no funcionamento do turismo galego no rural. "Non falamos só do tema ambiental, tamén hai unha preocupación económica e de benestar social", polo que desde a asociación sinalan que "hai que buscar un equilibrio que cubra as necesidades do sector e non prexudique as necesidades de xeracións futuras".
NOS_2482
Xulga os feitos como terrorismo. Veciñanza e EH Bildu falan de "montaxe policial".
Seis das oito persoas detidas nestes días en relación á pelexa o pasado 15 de outubro nun bar de Altsasu entre varios mozos e dous garda vivís foron enviadas a prisión e sen fianza pola Audiencia Nacional. As outras dúas ficaron en liberdade mais coa obriga de comparecer periodicamente no xulgado. A AN entende que as seis persoas que enviou ao cárcere participaron de forma directa nos feitos, que considera dentro do "terrorismo", o que pode implicar para este seis mozos penas de 10 a 15 anos de cadea. Os detidos acudiran voluntariamente a declarar a un Xulgado de Iruña mais non puideron facelo por incomparecencia do xuíz. Nun operativo das forzas de seguridade españolas procedeuse á súa detención para levalos á Audiencia Nacional. Veciñanza de Altasua volveu concentrarse na localidade máis unha vez para denunciar o que califican de "montaxe policial" ao aproveitar unha "pelexa de bar" para criminalizar, deter e reprimir os movementos sociais da localidade, nomeadamente os que traballan pola saída das forzas de seguridade españolas de Euskal Herria. Neste sentido, insisten que aquel 15 de outubro, cando a Policía Foral chegou ao local onde se producira o que os medios españois tildaron posteriormente de "linchamento" viron os 2 axentes perto do bar e sen que ninguén os estivese a agredir. Tamén sinalan a declaración da moza dun dos axentes, que se referiu nunha declaración espontánea ao sucedido como unha simple pelexa de bar. O feito de que os mandos dos garda civís conminasen os 2 axentes e as súas compañeiras a non declarar perante a Policía Foral para facelo días despois ante o instituto armado eleva as sospeitas de "montaxe".
NOS_5735
Tres xogadoras do Leis 26 Fútbol sala feminino denunciaron o presidente do clube por un suposto delito de "trato degradante" durante 15 meses. Após dous meses, o caso non foi escoitado nen sequera na Xunta.
"Atópanse en absoluta indefensión", afirma o avogado da defensa, Javier Picallo, en conversa con Sermos Galiza. Após dous meses desde que foi interposta a denuncia nos xulgados de Pontevedra, as xogadoras do Leis 26 de fútbol sala non viron máis que as costas dos seus compañeiros da equipa masculina, a imprensa local e a mesma Xunta de Galiza. O seu caso constitúe un dos poucos que se fixo público no noso país e, cando menos para o avogado, "o primeiro do que teño constancia". Tanto é así que a defensa baséase na abundante xurisprudencia que existe ao respeito no ámbito militar, mais non deportivo. O presunto delito: un "tratamento degradante" por parte do presidente do clube, José Antonio Nieto San Juan, contra as xogadoras da equipa feminina. Situación que se prologou durante máis dun ano. Ao longo dos 29 folios que compoñen a demanda as deportistas relatan múltiples situacións de acoso por parte de Nieto San Juan das que achegan probas como imaxes e mensaxes enviadas através de Whatsapp. Para o letrado das xogadoras, "dependemos do xuíz instrutor mais hai moita dilixencia de proba" que acreditaría que o tratamento recibido veu condicionado polo "sexo" das xogadoras. Para o letrado das xogadoras, "dependemos do xuíz instrutor mais hai moita dilixencia de proba" que acreditaría que o tratamento recibido veu condicionado polo "sexo" das xogadoras Un tratamento "denigrante" e "vexatorio" E é que o presidente do Leis 26 "trataba dun xeito denigrante, vexatorio e humillante" ás deportistas, denuncian desde a Marcha Mundial das Mulleres, organización feminista que emitiu un comunicado público após ter coñecemento do caso. Nieto San Juan "buscaba escusas para quedar a soas coas xogadoras", instábaas "a probar camisolas" e proferíalles comentarios sexistas sobre a súa aperencia física, explica o avogado Javier Picallo. Estas situacións repítense durante 15 meses e exténdense ao ámbito privado, máis alá do clube. Neste senso, unha das mulleres, de 19 anos foi "humillada" nun local de copas pontevedrés onde o presidente do clube lle tirou "un preservativo" cando esta se atopaba de festa. Nieto San Juan acudira ao estabelecemento acompañado polos xogadores da equipa masculina e achegouse a ela con "chulería". Mais non só. A outra das xogadoras, menor de idade, "pediulle fotos en bikini" através do Whatsapp e mesmo partillou con ela "imaxes pronográficas" através da aplicación de telefonía móbil. Aliás, nunha viaxe deportiva a Canarias chegou a lles afirmar que "no fútbol sala ou sodes todas putas ou lesbianas". A unha das xogadoras, menor de idade, "pediulle fotos en bikini" através do Whatsapp e mesmo partillou con ela "imaxes pronográficas" "Relación xerárquica" "Isto nada ten a ver coa relación habitual dun presidente e as xogadoras", sinala Picallo, quen non dubida da existencia dun delito puníbel penalmente por "tratamento denigrante". Este feito aparece recollido no Código Penal nun só parágrafo mais conta con abundante xurisprudencia emanada do Tribunal Supremo, nomeadamente, en relación ao exército. Para a defensa, ao igual que acontece no ámbito militar, no do Leis 26 existe unha "relación xerárquica" da que o presidente do clube se aproveita para acosar as xogadoras. Dunha banda, "pola súa idade", 40 anos, e doutra porque no exercicio do seu cargo exerce a "dirección da equipa". Cando esta situación trascende ao treinador da equipa e integrantes da xunta directiva a José Antonio Nieto San Juan exíxenlle que demita mais, ao contrario, este decide expulsar as xogadoras, o adestrador e 3 directivos. "Reprocháronlles ter denunciado tarde", asegura Javier Picallo en relación coas informacións difundidas sobre o caso na imprensa local Após unha rolda de imprensa na que denunciaron o acontecido, as xogadoras bateron cun muro de incomprensión. "Reprocháronlles ter denunciado tarde", asegura Javier Picallo en relación coas informacións difundidas sobre o caso na imprensa local. "É un paradoxo que se difundan campañas para promover a denuncia da violencia de xénero e destas xogadoras digan que denunciaron por vinganza". "Pasividade" da Xunta Tampouco a equipa masculina amosou o seu apoio ás deportistas mais si ao presidente do clube. "Nestes dous meses as xogadoras pasaron de vítimas a verdugos", critica Picallo. E non só o mundo deportivo virou as costas ás mulleres, desde a Xunta de Galiza fixeron ouvidos xordos á denuncia, que lle foi trasladada pola deputada de AGE, Eva Solla. "É absolutamente inadmisible que unha persoa, amparándose na súa posición de poder como presidente dun club deportivo, leve a cabo actuacións de acoso sexual" Solla, puxo en coñecemento da Secretaría de Igualdade da Xunta de Galiza o pasado 20 de novembro a denuncia destas mozas despois de coñecer os feitos. "A día de hoxe, a única comunicación que tiveron as afectadas foi un correo electrónico no que se lle indicaba que o tema fora trasladado ao departamento de Deportes e informando sobre onde se podían dirixir", apuntan nun comunicado de imprensa. Tanto AGE como a Marcha Mundial das Mulleres exixiron á Federación Galega de Fútbol, a Secretaria Xeral de Igualdade e a Secretaria Xeral para o Deporte adoptaren "as medidas oportunas para denunciar, sancionar e afastar ao Presidente do Club Leis 26 de Fútbol Sala de Pontevedra" pois, sinalan desde a organización feminista "é absolutamente inadmisible que unha persoa, amparándose na súa posición de poder como presidente dun club deportivo, leve a cabo actuacións de acoso sexual e trato vexatorio, tanto en espazos públicos como privados".
NOS_19616
A crise provocada pola COVID-19 provoca que a transferencia da AP-9 quede esquecida por un tempo nun caixón. Consultamos co PSOE e co BNG, partidos que asinaron o acordo de investidura para a transferencia e rebaixa de peaxes, o futuro da principal autoestrada que atravesa a Galiza de norte a sur.
O primeiro trimestre de 2020 era a data marcada no acordo de investidura entre PSOE e BNG para dar os primeiros pasos na transferencia da autoestrada AP-9 a Galiza e a rebaixa das peaxes. Pero a crise da COVID-19 fixo que esta cuestión deixase de ser prioritaria para o Goberno español e tamén para a Xunta. Como lembra o deputado do BNG no Congreso das Deputadas, Néstor Rego, o Goberno español tiña que ter convocado neste primeiro trimestre do ano a comisión bilateral de transferencias, pero a crise provocada pola pandemia da COVID-19 adiou a súa realización. Tamén explica a Nós Diario que as rebaixas previstas no acordo de investidura que asinaron estaban condicionadas á existencia de orzamentos "e é bastante probábel que se pase directamente a elaborar os de 2021", apunta Rego. "Veremos se pasada esta crise hai maneira de axilizar isto, porque nesta situación é máis necesaria ca nunca, e máis após coñecer que Audasa (a concesionaria da autoestrada) volveu ter beneficios multimillonarios en 2019", indica o deputado nacionalista, que non ve "razoábel" que a transferencia quedase gardada nun caixón. "Para nós esta sería unha das medidas fundamentais para o impulso económico". A AP-9 é unha autoestrada que empregan moitas galegas para desprazárense a diario aos seus postos de traballo, pero tamén moitas empresas para distribuír as súas mercadorías na Galiza ou para darlle saída a outros mercados aos produtos galegos. Neste senso, Rego sinala que empresas como as de distribución e loxística "vense tremendamente prexudicadas polas tarifas da AP-9, que lastran a súa actividade, respecto doutras zonas do Estado español nas que non teñen autoestradas de peaxe, ou benefícianse de maiores descontos, ou a concesión está a piques de rematar". Eixo vertebrador "A AP-9 conecta cinco das sete cidades galegas, os portos de interese xeral do Estado (Ferrol, A Coruña, Vilagarcía e Vigo), os tres aeroportos e os municipios onde se concentra non só a maior parte da poboación, senón tamén da actividade económica do país", apunta Rego para explicar o "brutal impacto" que tería a rebaixa e eliminación de peaxes na economía galega. "Se alguén pensa que rebaixar as peaxes ou facelas gratuítas para as usuarias recorrentes non favorece o dinamismo económico é que non entende moito". Respecto á necesidade de retomar o debate sobre esta cuestión, Rego agarda que os partidos "non entren na dialéctica de que hai cousas máis urxentes, porque esta pode contribuír a reimpulsar a actividade económica en boa parte do país". Pola súa banda, o senador socialista Xaquín Fernández Leiceaga sinala que o proceso está parado "xustamente pola situación do estado de alarma". O Goberno español está agora centrado na actual fase da crise, onde o fundamental é poñer en marcha todas as medidas posíbeis para contrarrestar os efectos da COVID-19 nas familias, nos autónomos e nas empresas. "Esta é a tarefa de hoxe. A de mañá xa se verá", engade Leiceaga. O senador socialista cre que as distintas fases do proceso de transferencia "van superpoñerse". "En canto a situación o permita, haberá que dinamizar a actividade económica, ademais de protexer a aqueles que van ser despedidos ou van perder as súas rendas. Esa fase está empezando a activarse e haberá sectores como o mundo da cultura, o turismo ou o ocio, moi directamente afectados pola paralización que supón a pandemia, que precisarán dunha especial atención". A transferencia da AP-9 quedaría, pois, para unha "segunda fase" na que se deseñe o plan de reconstrución. Como lembra Leiceaga a Nós Diario, a aprobación da transferencia aínda non está feita e hai que negociar para que os seus termos sexan os mellores posíbeis". A rebaixa das peaxes, pola súa banda, "xa está acordada en termos políticos". Pero para materializala será preciso un acordo en sede parlamentaria en España e tamén dos grupos políticos na Galiza, "e iso é máis complicado porque temos eleccións e non sabemos cando. É difícil elaborar un calendario preciso sen ter esta incógnita despexada". Ademais, o senador socialista considera que "non tería moito sentido poñerse a facer un plan de reconstrución agora, cando sería a primeira das tarefas do novo goberno". "O primeiro é iniciar o proceso da transferencia no Congreso, dándolle curso parlamentario á lei que o regula, e segundo, poñer en marcha os mecanismos para a rebaixa das peaxes de acordo ao pacto político", conclúe Leiceaga
PRAZA_6699
De Guindos aclara que os casos de Novacaixagalicia que o FROB remitirá á Fiscalía non son sobre tarxetas 'black' pero si operacións inmobiliarias e de crédito. Adicae xa advertira de préstamos autoconcedidos a directivos e familiares e a CIG da presunta compra de inmobles a Caixa Galicia a baixo prezo por parte da dona de Méndez.
Advertiuno a pasada semana o ministro de Economía, Luis de Guindos, e volveuno advertir este luns. O Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) remitirá á Fiscalía nos vindeiros días algo máis de vinte operacións dubidosas de Novacaixagalicia e Catalunya Caixa. Refírese, en palabras do membro do Goberno á súa chegada á reunión do Eurogrupo en Luxemburgo, a casos que "teñen que ver con operacións inmobiliarias e de crédito" polo que, tal e como aclarou, "son de natureza distinta" ás tarxetas black de Caja Madrid que veñen de saír á luz. As operacións "potencialmente irregulares" non se refiren a tarxetas 'black' senón inmobiliarias e de crédito Non son, xa que logo, operacións referidas a posibles cartóns opacos como os da entidade madrileña, pero si a varias que teñen que ver con créditos dubidosos e discutidas compravendas de inmobles. A investigación, tal e como aclarou De Guindos no Congreso a pasada semana, "está moi avanzada". Chega, ademais, tras as instrucións que o Executivo central deu ao FROB para que se trasladen á Fiscalía "todas as condutas que poida presumir irregulares" ou que "poidan contravir a normativa". As sospeitas son obvias. Adicae, a Asociación de Consumidores e Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros, xa advertiu na comisión de investigación das antigas caixas galegas de documentación pública de "préstamos e créditos autoconcedidos a conselleiros, familiares e empresas propiedades dos directivos". Pero a cantidade de informes achegados fixo pasar por alto moitos datos que van máis aló das sospeitas. Adicae xa denunciara a existencia de préstamos e créditos autoconcedidos a conselleiros das caixas e os seus familiares Incluídas nos propios informes corporativos das entidades, estas informacións non detallan completamente as condicións destes produtos, pero todo apunta a préstamos a interese cero para conselleiros e familiares e incluso a condonacións de hipotecas a figuras públicas. No caso das operacións inmobiliarias "potencialmente irregulares", a documentación anónima recibida pola CIG pode dar pistas. Os textos achegados ao sindicato, e aos que tivo acceso Praza, desvelarían a compra á entidade por parte da muller do ex director xeral José Luis Méndez de 14 inmobles por 1,5 millóns de euros fronte a unha taxación de case 300.000 euros máis durante o ano previo á fusión e até dous días antes de que nacese a nova entidade. Documentación anónima recibida pola CIG desvelan como a muller de Méndez tería comprado 14 inmobles en condicións ventaxosas á propia Caixa Galicia Os papeis inclúen todo tipo de documentación: escrituras notariais, taxacións e mesmo anotacións en conta. De todo dedúcese que a Corporación Caixa Galicia (CxG), -con José Luís Méndez López como presidente e o seu fillo, José Luis Méndez Pascual, como conselleiro delegado- vendeu propiedades por debaixo do prezo de taxación a Rosa Pascual, cónxuxe do que fora director de Caixa Galicia durante 29 anos e logo dunha previa separación de bens. Rosa Pascual tería adquirido presuntamente un total de 14 inmobles propiedade de Corporación Caixa Galicia, daquela dirixida polo seu propio fillo, valorados en máis de 1,8 millóns de euros e por un importe de pouco máis de 1,5 millóns. Xa que logo, o prexuízo patrimonial de todas estas operacións para o holding sería de máis de 285.000 euros.
NOS_3235
Juan Sorga foi o guerrilleiro antifascista máis mítico da Limia. Desde 1950 non se sabía nada certo del, sendo a opinión maioritaria entre os investigadores que puidera ser executado nesas datas pola policía franquista. Un artigo publicado en Nós Diario permite agora completar a
O 26 de maio de 1950, os guerrilleiros galegos Manuel Rodríguez e Juan Sorga eran interceptados nun tren en Madrid, cando tentaban chegar a Zaragoza, para fuxir a Francia. Mentres o primeiro deles foi detido e, posteriormente, fusilado o 3 de setembro de 1951, o segundo saltou do vagón en marcha, descoñecéndose durante décadas o seu final. A ausencia de pegadas sobre o seu destino e o silencio das forzas da orde e do propio Sorga, que non chegou a pórse en contacto coa súa familia galega, incluídos os seus fillos, levou a pensar á maioría dos investigadores que o guerrilleiro limiao non chegara a exiliarse en Francia. Un artigo en 'Nós Diario' O 28 de decembro de 2021, o investigador e alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde, publicaba dentro do coleccionábel de Nós Diario titulado As guerrillas galegas ao descuberto, un artigo sobre a loita de Juan Sorga, dando a coñecer unha fotografía do guerrilleiro custodiada no seu arquivo particular. A imaxe, recollida na versión dixital deste xornal, chegou a mans da familia francesa de Sorga, que finalmente soubo a verdadeira identidade do seu familiar, agochado baixo o nome clandestino de Manuel Iglesias Méndez desde comezo da década de 1950. Os 11 de Anguieiro, fusilados e fondeados no mar: "Dixeron que para os das ideas 'rojas' non había perdón" Clandestino en Madrid Juan Sorga residiu en Madrid até 1960 coa súa nova identidade de Manuel Iglesias. Segundo sinala a Nós Diario o seu neto, Martín Huget, que leva uns meses na Galiza investigando arredor do seu avó e prepara un documental sobre a súa figura, Sorga agochouse primeiramente nun laboratorio, onde traballou durante un tempo, conseguindo posteriormente unha nova documentación a nome de Manuel Iglesias que, probabelmente lle forneceu José Gómez Losada, veciño de Sorga en Cortegada (Sarreaus), compañeiro de batallón no exército popular entre 1936 a 1939 e funcionario do Goberno Civil de Madrid. A visita do presidente estadounidense Dwight D. Eisenhower ao Estado español, en decembro de 1959, acelerou a decisión de Sorga de marchar a Francia. A este respecto, Martín Huget afirma que "a presenza do mandatario americano en Madrid convenceu o meu avó da consolidación do réxime franquista, abandonado o Estado coa miña avoa". Precisamente, en novembro de 1960, Sorga, coa identidade de Manuel Iglesias, contraeu matrimonio en París co súa terceira esposa, estando presentes na voda, entre outros, Julio Domínguez Rodríguez -comunista de Quintela de Leirado, exiliado en Francia onde foi membro da resistencia- tras saír con vida do campo de concentración de Mauthausen. Comunista até o final Sorga mantivo intactos os seus compromisos políticos durante todo o seu exilio francés. Ligado ao Partido Comunista desde finais dos anos 30, segundo o seu neto, participou en 1968 no congreso fundacional do Partido Comunista de Galicia (PCG) en París. Así, Martín Huget apunta que o seu avó gardou fidelidade ao proxecto comunista até o final dos seu días e lembra o impacto negativo que lle provocou a caída do Muro de Berlín e, posteriormente, a desaparición da Unión Soviética. O guerrilleiro galego morreu, finalmente, en París a comezos do século XXI. Nado en 1918 en Cortegada, moi perto de Pazos de Codosedo, parroquia do concello de Sarreaus, deixaba atrás unha vida de loita, comezada en xullo de 1936 como voluntario das Milicias Galegas na fronte de Madrid, continuada no servizo de información do exército popular e alongada nos seus anos de enlace e posteriormente de comando das guerrillas galegas. Sorga na guerrilla A incorporación de Sorga á loita clandestina contra Franco, remóntase a 1943, cando retorna a Galiza após de ser confinado nos campos de concentración franceses de Septfonds e de Argelès-sur-Mer e pasar tres anos castigado nun batallón de traballadores franquista. Porén, a súa suba ao monte demorouse até xullo de 1948, tras ser descuberto nun operativo das forzas da orde contra a guerrilla. Multitude de actos lembran as persoas represaliadas polo Día da Galiza Mártir O estudoso da súa figura Manuel Conde sinala que "Juan opta unha vez descuberta a súa colaboración activa coa guerrilla por unirse a eles. Así, entra en contacto con outros resistentes como Saul Mayo, 'Pelayo'; Benigno Fraga Pita, 'Alejandro'; José María Saavedra Díaz, 'Pepe'; Angel Santos Rodríguez, 'O de Flariz; Manuel Novo Barreiros, ou Antonio Pérez Barreiros, 'Cabila. Posteriormente uniranse a eles Carmen Fernández Seguín e seus fillos Perfecto e Camilo de Dios, veciños do concello de Sandiás e militantes do Partido Comunista". A represión contra os Sorga Manuel Conde destaca que toda a familia de Sorga foi duramente represaliada. Así, lembra que "a persecución contra a nai do seu fillo Juan, Angela Sampedro Piñeiro, é dunha gran crueldade" e un curmán, "Ismael Sorga Losada, morreu asasinado pola Garda Civil o 18 de novembro de 1948".
NOS_5424
O símbolo relixioso medirá case 5 metros de altura e terá 7 toneladas de peso.
Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra finaciarán a instalación dunha macroescultura do Sagrado Corazón de Xesús en Vigo. Unha actuación que suporá un desembolso, degundo o BNG vigués de 107.000 euros. O Goberno municipal subscribiu ao efecto un convenio co Bispado o pasado 30 de decembro. O BNG xa expresou o seu rexeitamento a que se financie con recursos públicos a instalación de símbolos relixiosos na cidade, como é o caso deste proxecto para a capela da Guía. "No BNG estamos certos e certas de que o barrio de Teis ten necesidades moito máis urxentes e importantes que unha escultura xigante coroando unha capela", acrecentou Xabier P. Igrexas, portavoz nacionalista no Concello vigués.. Tamén no seu día a Marea de Vigo criticara esta actuación. A concelleira Oriana Méndez criticara o argumento de que esta estatua estaba proxectada en 1951, en pleno franquismo, xa que "hoxe, por fortuna e polo traballo de toda a sociedade viguesa progresista, crente moitas veces e igualmente defensora dos valores do laicismo e do librepensamento, non estamos no Vigo de 1951". Numerosas voces posicionáronse durantes estas semanas contra ese proxecto, como a Iniciativa Galega pela Memória . Entre elas a de xornalista Montse Fajardo, que lembraba a identificación "do Sagrado Corazón, imaxe utilizada historicamente, e nomeadamente durante o franquismo, como símbolo do combate da relixión fronte as ideas, como estandarte da persecución daquelas persoas que avogaban por unha sociedade onde o liderado da Igrexa fose substituído polo liderado do pensamento libre, da cultura e do ensino". Ou o do teólogo, filósofo e escritor Vitorino Pérez Prieto, que escribiu "o culto ao Sgdo. Coração é hoje um anacronismo e cousa duma época passada, na qual se utilizou essa imagem de Jesus Cristo como emblema de discórdia. Historicamente nasceu para fazer-lhe fronte ao laicismo de começos do s. XX". Desde o colectivo Vigo Antifascista manifestan que "o monumento é um insulto a memória histórica e a todas as vítimas da ditadura na Galiza".
PRAZA_13508
Miguel Ángel Quinteiro, ex membro do consello nas caixas e membro de Attac e da Plataforma polo Aforro Público, cre "positiva" a demanda contra os directivas de NCG pero aclara que "o importante é o que lles permitiron facer e, sobre todo, quen llelo permitiu facer"
Miguel Ángel Quinteiro coñece como poucos o funcionamento das caixas de aforros. Ex traballador e ex membro do consello de administración de Caixanova, leva anos denunciando as malas prácticas das antigas entidades de aforro e presentando escritos de denuncia ante diversas fiscalías. Membro de Attac e da Plataforma polo Aforro Público, ve positiva a querela de Anticorrupción, pero cre que non é máis que "unha cortina de fume" porque o importante "é todo o que lles permitiron facer e, sobre todo, quen llelo permitiu facer". "A querela importante porque os directivos son culpables de moitas cousas", explica Quinteiro logo de que a Fiscalía Anticorrupción presentase ante o Xulgado Central de Instrución Número 2 da Audiencia Nacional a querela contra cinco exdirectivos de Novacaixagalicia Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego Alonso, Gregorio Gorriarán Laza, Óscar Rodríguez Estrada e Francisco Javier García de Paredes Mouro. "Os directivos son culpables, pero só uns cabezas de turco" "Agora, como se ven presionados, Anticorrupción vai por uns cabezas de turco, que son culpables, pero que seguro que non van devolver nada porque terán ben amarrados os seus contratos", explica Quinteiro, que cre que o obxectivo "global" dos gobernantes e da banca "xa está feito". "Quedáronse coas caixas e fixeron desaparecer unhas entidades que debían ser populares e co obxectivo de aproveitar o aforro popular para lograr un desenvolvemento económico do pobo", lembra. Xa que logo, Quinteiro reclama que se vaia "máis aló" porque entende que investigación debería centrarse nos "poderes" que permitiron ou incluso determinaron os métodos das caixas de aforros nos últimos anos. El leva anos loitando e advertindo á Fiscalía das irregularidades e "estafas" das entidades. "As caixas de aforro en Galicia eran entidades, que con todas as súas eivas, trataban de ofrecer servizos financieiros dende unha perspectiva ética, sen ánimo de lucro, e que xeraban un patrimonio en beneficio da sociedade", insiste este ex membro do consello de Caixanova, que lembra que todo ese patrimonio foi "enaxenado". Hai xa anos, presentou escritos ante a Fiscalía en Vigo e tamén ante a Fiscalía Superior de Galicia e ambas as dúas decidiron transmitir os documentos a Anticorrupción, que sempre lle aclarou "que non podía investigar porque a lei prohibíalle interpretar regulamentos", do mesmo xeito que o mesmo fiscal anticorrupción, onde tamén presentou un escrito. "Pero era evidente que había moito máis, como o tema das preferentes, que xa se estaba comezando a dar", lembra. "Era o Banco de España o que permitía facer ás caixas e ao Banco de España permitíanllo os poderes políticos" "Era o Banco de España o que decidía o regulamento e o que tiña a responsabilidade; se houbo algún cambio na regulamentación que lles permitiu ás caixas actuar como actuaron foi porque os polítimos llo permitiron", insiste Quinteiro, que aclara que o organismo regulador "está gobernado por representantes de bancos privados e do FMI", polo que "é xente ligada ás finanzas que perseguía a desfeita das caixas de aforro". "A folla de ruta era evidente: fusionar caixas para poder acabar con elas de forma máis fácil e controlar así a economía", engade, tras lembrar que a Plataforma polo Aforro Público xa acumula preto de 7.000 sinaturas que apoian un escrito remitido á Fiscalía Anticorrupción e no que se pide que se investigue a xestión de Caixa Galicia e Caixanova e o propio proceso que levou as dúas entidades a converterse nun banco.
NOS_6306
Os inquéritos a pé de urna sinalan que a opositora Alianza Nacional Democrática retiraría do poder ao Partido do Congreso, de Rahul Gandhi. 551 millóns de persoas votaron nos comicios xerais que se converteron na maior elección do mundo.
Concluíron as eleccións xerais da India. Logo de seis semanas de votacións que se celebraron por quendas desde o pasado 7 de abril nos diferentes territorios, os que cuantitativamente son os maiores comicios do mundo chegaban esta segunda feira ao seu fin. Cunha participación record do 66%, que supera á obtida en 1984 (64,01%) coincidindo co asasinato de Indhira Gandhi, 551 millóns de persoas exerceron o seu dereito ao voto nos 930.000 colexios electorais habilitados nas 543 circunscricións. A opositora Alianza Nacional Democrática podería obter até 289 dos 543 escanos A falta dos resultados oficiais, que serán proclamados o vindeiro día 16, as enquisas a pé de urna reveladas por varios medios de comunicación indios outorgan a vitoria á opositora Alianza Nacional Democrática (AND), liderada polo hinduista Bharatiya Janata Party (BJP). A NDA podería obter entre 249 e 289 dos 543 escanos do Lok Sabha, a cámara baixa da India. De se verificar estas previsións, que deben ollarse con cautela dado que en 2009 e de maneira grave en 2004 fallaron, a Alianza Progresista Unida (APU) encabezada polo Partido do Congreso, liderado pola dinastía Nehru-Gandhi, vería reducida a súa representación parlamentar a entre 97 a 148 escanos. A maioría cualificada na cámara exixe 272 asentos. As eleccións están marcadas polo elevado nivel de corrupción, a desaceleración económica e alta inflación. Engádese tamén a falla de carisma que se lle atribúe a Rahul Gandhi, fillo do ex primeiro ministro Rajiv Ghandi e da actual Presidenta do Partido do Congreso Sonia Gandhi, que sería percibido como inexperto e distante, segundo se recolle nalgunhas sondaxes. Gandhi centrou os seus compromisos electorais en prover de sanidade universal e vivenda ás familias pobres e pensións para a xente idosa e con discapacidade. A derrota electoral tiraría do Goberno ao Partido do Congreso logo de dez anos á fronte do país O BJP pola súa banda fixo bandeira do éxito denominado "modelo Guajarat", en referencia á experiencia do seu lider e candidato presidencial Narendra Modi, quen desde 2001 goberna esa rexión do país aplicando a doutrina neoliberal de privatizacións e desregulación. Porén, non son poucas as voces críticas que cuestionan o referido modelo baseado en importantes facilidades para as grandes corporacións transnancionais (créditos, exención impositiva, electricidade gratis, etc). De feito o estado de Guajarat ten un dos índices de desenvolvemento humano máis baixos da India, cunha elevada pobreza e milleiros de persoas desprazadas. Amais, é sinalado como un dos máis corruptos e conta co maior número de agresións e asasinatos contra activistas. Modi foi acusado de estar implicado na matanza dun millo de musulmáns (que representan o 20% da poboación india) nesa rexión no ano de 2002. Alternancia, mais non mudanza A vitoria, inda sen confirmar, do BJP suporá unha alternancia histórica logo de 10 anos de mandato do Partido do Congreso, que de feito gobernou o país durante 49 dos 67 anos decorridos desde a súa independencia. Alternancia, mais non un cambio significativo. Así o advirten diferentes analistas que como Txente Rekondo afrima que "tanto o Partido do Congreso como o BJP, representan modelos elitistas e non mostran ningún interese en falar do sistema de castas que continúa protagonizando boa parte da vida do país". Para Rekondo, malia advertir do risco para a "propia existencia das minorías" do ascenso do "chauvinismo hindú" que representa o BJP, as dúas principais forzas políticas cadran nun mesmo modelo "controlado polos intereses das grandes corporacións e apoiados polos medios de comunicación dispostos a ocultar a cruel realidade que se vive na India".Outros actores políticos "Tanto o Partido do Congreso como o BJP, representan modelos elitistas" opina o analista Txente Rekondo Se ben todo indica que as únicas opcións con posibilidades de facerse coa maioría parlamentaria suficiente para designar un novo Primeiro Ministro, son a AND do BJP e a APU do Partido do Congreso, non son estas os únicos actores que concorren aos comicios. De entre as demais forzas cómpre salientar o Aam Admi Party (AAP), coñecido popularmente como o partido "da xente común". O AAP ten a súa orixe nun movemento anticorrupción, con certo nesgo populista, e despois de obter uns bos resultados nas recentes eleccións municipais en Delhi poderían dar o salto a nivel nacional. Aliás, nas forzas de esquerda con presenza institucional, nucleadas fundamentalmente no Partido Comunista de India (marxista) --CPIM-- e o Partido Comunista de India --CPI--, con forza nas rexións de Kerala, Tripura, e Bengal, e cunha importante forza a nivel sindical, continúa a recaer a posibilidade de articular un proxecto alternativo ao das elites. A outra faciana da potencia "emerxente" India é unha das denominadas potencias emerxentes, articulada canda Brasil, Rusia, China e Sudáfrica nos chamados BRICS.Mais fronte o espectacular crecemento económico, hoxe atenuado por mor da crise, e da súa expansión comercial, a India ten unha faciana diferente á presentada oficialmente. 680 millóns de persoas non teñen aseguradas as súas necesidades básicas O 56% da poboación, 680 millóns de persoas, non ten aseguradas as súas necesidades básicas. Centos de millóns viven por baixo do limiar da pobreza. A nivel laboral aos máis de 80 millóns de persoas que carecen dun emprego, engádense 250 millóns de mozas e mozos subempregados, baixo formas de máxima explotación e sen apenas garantía de ningún tipo. O acceso da muller ao traballo continúa limitado a empregos non cualificados, fundamentalmente no sector primario e concentrados nas áreas rurais. O racismo e a violencia sexual contra as mulleres, da que son vítimas principalmente as capas máis empobrecidas, continúan a ser problemas vixentes. Feito que Txente Rekondo atribúe ao mantemento, na práctica, do "sistema de castas" que oficialmente se deu por superado. Unha realidade que na súa opinión "dificilmente pode resolverse a través das reformas que preconizan as elites políticas do país" e que, en troca, exixiría "unha profunda revolución para mudar o rumo da India actual".
NOS_53067
"É o político máis interesante co que me reunín", afirmou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome sobre o presidente da Xunta de Galiza. Feixoo acolleu de bo grao as propostas políticas do alcalde ourensán tan só uns meses após telo cualificado de "rexedor letal para Ourense". Culmina así a primeira reunión pública entre ambos os dous.
Máis de dúas horas durou o encontro entre o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, e o alcalde de Ourense Gonzalo Pérez Jácome, sendo este rexedor a quen máis tempo dedicou o presidente, polo momento, na súa rolda de contactos após conformárense as novas corporacións municipais. "Desde o punto de vista do entendemento institucional, a relación ten boa pinta", asegurou o presidente "Desde o punto de vista do entendemento institucional, a relación ten boa pinta", asegurou o presidente, mentres que Jácome se referiu a Feixoo como "o político máis interesante co que me reunín". Segundo afirmou Jácome, el mesmo "aproveitou" tamén para pedir "consellos de xestión" a Núñez Feixoo e amosouse "compracido" coas respostas recibidas. As palabras de recoñecemento do un cara ao outro chegan tan só uns meses após Feixoo ter cualificado Jácome como "un rexedor letal para Ourense". Para o presidente da Xunta os proxectos do alcalde tamén son "de interese e procedentes" Para o presidente da Xunta os proxectos do alcalde tamén son "de interese e procedentes", afirmou en referencia á construción dun parque acuático termal e ao impulso dun centro de intelixencia artificial. Así foi, que o rexedor ourensán asegurou atoparse "moi contento" co desenvolvemento da reunión "porque a Xunta gosta desas dúas propostas", as cales ocuparon un lugar central no programa de DO. No caso do parque acuático, Feixoo precisou que é necesario concretar como levará a cabo a canalización das augas termais e coñecer a dimensión do mesmo. Ambos os líderes abordaron tamén propostas da Xunta para Ourense Este encontro prodúcese após o acordo acadado entre Democracia Ourensá e Partido Popular polo que Xosé Manuel Baltar recibiu os votos dos representantes de Jácome na Deputación de Ourense, garantindo así a continuidade do PP á fronte da institución provincial. Mentres, Gonzalo Jácome foi investido alcalde co apoio das e dos concelleiros populares, que ademais repartiron os postos na xunta de goberno local a igual parte entre ambas formacións. Durante o encontro, ambos os líderes abordaron tamén propostas da Xunta para Ourense e que precisan do acordo de ambas institucións. Así, Jácome afirmou que "precisamos un novo Concello, debido á dispersión dos servizos, por tanto se o actual edificio da Xunta queda baleiro podería ser unha boa opción", sinalou.
NOS_56384
Este é o primeiro paso para poder protexer o inmóbel que actualmente é propiedade da familia Franco.
Após as múltiples protestas de colectivos e a solicitude no ano pasado polo Concello da Coruña, a Xunta incoará esta segunda feira o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) a Casa Cornide da Coruña, propiedade da familia Franco, o que permitirá a súa protección inmediata e integral. Esta actuación conta cos informes favorábeis de tres institucións consultadas na tramitación, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega (RAG) e a Universidade da Coruña (UDC). A incoación do expediente permitirá aplicar de forma inmediata e provisional, até a súa aprobación definitiva nun prazo máximo de dous anos, a protección integral do edificio e facela extensiva de forma cautelar ás partes integrantes e pertenzas até que se poida acceder ao interior e completarse a súa valoración. A documentación elaborada para o estudo do valor cultural non se puido completar con información recente, pero realizouse con documentación analizada no estudo promovido polo Concello da Coruña. De acordo coa Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, o expediente especifica que todos os elementos serán protexidos de modo provisional. Para completar e precisar o alcance da protección, persoal técnico designado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural deberá acceder ao interior para a completa documentación dos bens existentes e a determinación da súa relación co monumento e os seus valores culturais. A Casa Cornide representa un edificio nobre de estilo tardobarroco, cosmopolita e francés, case sen precedentes no país, no que viviu José Cornide en varios períodos como herdeiro da propiedade até a súa marcha a Madrid en 1789 para dedicarse de pleno á Real Academia da Historia. Nese inmoble acumulou gran parte da súa biblioteca e desenvolveu parte das súas investigacións. Posteriormente, a Casa Cornide pasou por distintos posuidores desde Pedro Barrié de la Maza até a Familia Franco, quen mantén actualmente titularidade do edificio. Retirada de móbeis Ao longo deste tempo, numerosos colectivos protestaron a favor da devolución do inmóbel coruñés á titularidade pública. O colectivo Defensa do Común denunciaba o pasado decembro que a familia Franco continuaba a retirar bens da Casa Cornide. A través dun escrito á Subdelegación do Goberno, este colectivo sinalaba que o día " 30 de decembro, con nocturnidade, apareceu na Casa Cornide unha nova furgoneta de aluguer con dous operarios", unha práctica que para a organización é indicativo de que se están a retuirar bens deste inmóbel.
PRAZA_19770
ENTREVISTA | Falamos con Beatriz Núñez, presidenta desta entidade de promoción da lectura nacida en Gondomar hai 11 anos, e que recentemente anunciou a suspensión das súas actividades, por mor das condicións nas que se atopa a biblioteca municipal.
En Gondomar, no Val Miñor, funciona dende hai unha máis dunha década unha desas iniciativas locais, construídas dende abaixo, que contribúen de verdade a transformar a sociedade e as vidas das persoas da contorna. Espazo Lectura é un proxecto de fomento da lectura, sobre todo entre os nenos e nenas (pero non só) cuxo bo facer traspasou os límites da súa comarca e que funciona como modelo para iniciativas semellantes noutros lugares. Dende hai once anos ten unha programación estable de sesións de contacontos e varios clubs de lectura nos que con frecuencia participan os propios autores e autoras das obras e ás que asisten un número moi elevado de persoas de todas as idades. Xestiona, así mesmo, unha pequena biblioteca rural (a Casa da Lectura), ademais doutras moitas actividades, obradoiros e accións, realizados ás veces en colaboración con centros de ensino, editoriais e outras entidades. E puxo en marcha campañas como Lendo para Medrar, coa que buscaba "converter a vila de Gondomar nun referente da lectura" en toda Galicia. Obtivo numerosos recoñecementos, coma o 2º premio de dinamización sociocultural Everest 2009, o Premio Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia 2009, o Premio Francisco Fernández del Riego 2010 da Asociación Galega de Editores ou o Premio á Mellor Iniciativa Cultural ou de Fomento da Lectura 2016 na 1ª Gala Galega do Libro Galego. Espazo Lectura foi noticia nas últimas semanas, tras anunciar que -despois de máis dunha década- decidía suspender todas as actividades infantís que de forma estable organiza na Biblioteca Pública de Gondomar, denunciando o abandono que este centro sofre por parte do Goberno local. Unha biblioteca que non ten persoal especializado, que carece dun orzamento anual dedicado á compra de libros e que recentemente realizou unha serie de obras que invalidan a zona infantil e que dificulta a realización das actividades que habitualmente acollía. A situación xerada foi debatida este xoves no pleno municipal, que aprobou unha moción de apoio á entidade, coa abstención do PSdeG-PSOE, na Alcaldía. Falamos con Beatriz Núñez, Presidenta de Espazo Lectura. "Se nos puxéramos a agardar a que as institucións resolveran esta situación, os nosos fillos xa terían medrado e nós teríamos perdido esa estimulación temperá" Como nace Espazo Lectura? Percibiades que había unhas necesidades que non estaban sendo cubertas? Espazo Lectura xurdiu hai 11 anos a través dun grupo de nais e pais, dunha ANPA de Gondomar, que queriamos ofrecerlles contacontos e animación á lectura aos nosos fillos e fillas, que daquela estaban en Infantil. E viámonos abocados a ir a Vigo, ás actividades que podían ofrecer Libros para soñar e outras entidades. Decidimos falar co Concello e comezar a reunirnos esas nais e pais para nós mesmas contar os contos. E así xurdiu o Contomar, que é a nosa actividade-insignia, que é a que por desgraza acabamos de cancelar na Biblioteca Municipal de Gondomar. Queriamos facer fincapé na nosa propia responsabilidade como familia. Se nos puxéramos a agardar a que as institucións resolveran esta situación, os nosos fillos xa terían medrado e nós teríamos perdido esa posibilidade de estimulación temperá. Facedes moito fincapé na participación das familias, dos pais e nais, nesta promoción da lectura. Non se debe deixar toda a responsabilidade aos centros de ensino e outras entidades? Todas as nosas actividades son de lectura en familia. Ti non podes simplemente deixar o teu fillo ou filla e deixalo alí, tes que acompañalo ou acompañala. Tanto ten que sexa o pai ou a nai, ou mesmo algún dos avós. Pero consideramos que esa é a verdadeira animación á lectura. O que move Espazo Lectura é o voluntariado e a vontade das propias familias de dar resposta a esa necesidade. É certo que na asociación hai moitos mestres e mestras, pero a maior parte da xente non ten relación co mundo do ensino ou da literatura Despois o proxecto foi crecendo, fostes incorporando máis e máis actividades... Os nenos e nenas ían medrando, ían aprendendo a ler, e facíanse lectores e lectoras autónomas. E por iso creamos para eles e elas o club de lectura Lendo Contigo, un club orientado a nenos e nenas de primaria e pensado para ler en familia. Faise un sábado ao mes e sempre tentamos traer o autor ou autora do libro que propoñemos. Cando os primeiros nenos foron chegando á adolescencia, montamos un club de lectura para adolescentes. E, finalmente, en 2012 iniciamos cos bebés (que era un campo que nos daba un pouco de respecto) unha serie de actividades. Son pre-pre-lectores, pero con eles e elas facemos actividades ao redor do libro, da estimulación sensorial e da tradición oral, pero sempre con presenza do libro. Finalmente, ao abeiro destas actividades xurdiron as actividades para adultos: temos un club de lectura de narrativa e outro de lecturas debuxadas, de cómic. E outras moitas actividades puntuais. "Todas as nosas actividades son de lectura en familia. Ti non podes simplemente deixar o teu fillo ou filla e deixalo alí, tes que acompañalo ou acompañala" Facedes fincapé na promoción da lectura entre os nenos e nenas, unha actividade moi concreta, pero que é a base de moitas cousas: de que vaian ser adultos e adultas lectoras, da relación que establezan cos libros, de que desenvolvan unha serie de valores... Si, hai nenos e nenas que estiveron hai anos participando na actividades de lectura, e hoxe son xa universitarios e universitarias. E seguen sendo grandes lectores e lectoras, e son xente solidaria e cívica. É algo que nos fai sentir moito orgullo. "Hai nenos e nenas que estiveron hai anos participando nas actividades de lectura, e hoxe son xa universitarios e universitarias. E seguen sendo grandes lectores e lectoras, e son xente solidaria e cívica. É algo que nos fai sentir moito orgullo" Contades mesmo cun espazo propio, esa Casa da Lectura... A Casa da Lectura é unha antiga escola de infantil en Donas que o colexio nos cedeu, que remodelamos e á que mediante unha subvención incorporamos mobiliario de biblioteca. E agora temos unha pequena biblioteca rural, cunha boa dotación e inserida na rede de bibliotecas de Galicia. Alí tamén facemos actividades, un día á semana. Cal é a base dos problemas na Biblioteca Pública de Gondomar? A biblioteca de Gondomar é un desastre en todos os sentidos. Non hai bibliotecario, non hai orzamento estable, o fondo é moi antigo e, de feito, non hai investimento en novos libros dende o ano 2015. Ademais, agora, as obras que recentemente se levaron a cabo dificultan moito que realicemos as actividades. Nós facemos alí cinco clubs de lectura ao mes, dous para adultos e tres para nenos e nenas en distintos tramos de idade. A biblioteca agora non conta con espazos diferenciados; o concepto que teñen é que a biblioteca ten que ser un sitio para a xente que queira ir estudar ou ler a prensa e esixen silencio. Pero os nenos e nenas son nenos e nenas. Nós sentiamos que na bibliotecas molestabamos. Non nós, os pais e nais, senón os nenos e nenas. E iso non se pode consentir. "A biblioteca de Gondomar é un desastre en todos os sentidos. Non hai bibliotecario, non hai orzamento estable, o fondo é moi antigo e, de feito, non hai investimento en novos libros dende o ano 2015" Como se pode solucionar? O único apoio público que necesitamos é unha biblioteca de calidade, só pedimos iso. Sabemos que isto non se consegue en dous meses nin nun ano, pero pedimos un plan director, unha folla de ruta para conseguilo. A maior parte das editoriais galegas son socias protectoras de Espazo Lectura e mándanos as súas novidades; grazas a iso nós temos unha biblioteca moi actualizada. Pero necesitamos unha biblioteca pública en condicións. A capacidade que teñen as institucións para dar soporte a un proxecto coma o noso nalgunhas cuestión nós non a podemos xerar. "Hai bibliotecas que non teñen os servizos axeitados. En primeiro lugar teñen que ter un bibliotecario ou bibliotecaria, iso é fundamental" As bibliotecas municipais son esenciais, sobre todo nos concellos pequenos, como espazo de promoción da cultura, da lectura e do coñecemento. Credes que na actualidade contan co apoio que merecen por parte das administracións? Sabemos, porque a nós pásanos na nosa, que hai bibliotecas que non teñen os servizos axeitados. Por servizos axeitados entendemos en primeiro lugar ter un bibliotecario ou bibliotecaria, iso é fundamental. Igual que hai un técnico de deportes, ten que haber un técnico na biblioteca, que saiba xestionala, organizala, que saiba facer un expurgo profesionalizado, que teña capacidade para observar que tipo de usuarios ten para poder completar as coleccións... Ten que haber ademais espazos diferenciados, para diferentes tipos de usuarios Isto non sempre se produce. E é porque non hai vontade política. Noutros países, a situación é moi distinta. E eu ás veces teño a sensación de que somos un país terceiromundista, aínda que non me gusta esta expresión. A pouco que viaxes, en calquera vila pequena de Francia, máis pequena que Gondomar, ves que teñen unha biblioteca digna, ben atendida, con moitos fondos. "As bibliotecas deberían ser centros de dinamización cultural. Pero a sociedade moitas veces non coñece cal é a función dunha biblioteca no século XXI" As bibliotecas deberían ser centros de dinamización cultural. Pero a sociedade moitas veces non coñece cal é a función dunha biblioteca no século XXI; algunha xente ten unha concepción das bibliotecas como un espazo de silencio, onde hai unha morea de libros que non serven para nada e que agora ten wifi, e pouco máis. Nalgúns lugares esquécense esas outras funcións: educativa, formativa, cultural, de dinamización de proxectos, de igualación, de compensación de desigualdades... Ás veces parece que a cultura, que é a base dunha sociedade máis xusta, máis libre e máis democrática, non é tida en conta polos poderes públicos. Web de Espazo Lectura
NOS_39243
"Menos discursos e máis recursos" foi unha das consignas máis coreadas na mobilización unitaria convocada polo movemento feminista galego este domingo, a piques de se conmemorar o Día da Muller.
O movemento feminista galego saíu á rúa na mañá do domingo baixo o lema "Feminismo para avanzar. Xuntas nunha mesma loita" para reclamar "menos discursos e máis recursos" na loita pola igualdade e contra a violencia machista. A mobilización, que partía pasadas as 12h da estación de tren de Compostela, discorreu nun ambiente festivo a pesar da chuvia e finalizou na praza da Quintana, onde tiveron lugar as intervencións, que foron conducidas pola actriz Isa Risco. As mulleres que sufriron acoso laboral e as mulleres do rural foron as protagonistas dunha marcha que berrou contra o feminicidio na Praza da Quintana e que finalizou coa actuación musical das caboverdianas Batuko Tabanka. Os micromachismos, "que de micro non teñen nada" e a defensa das mulleres contra o patriarcado foron outras das cuestións recollidas no manifesto. Salientouse, ademais, a importancia do feminismo, "o feminismo necesita mulleres, e as mulleres necesitan o feminismo para transformar a realidade". Outra das reivindicacións tivo a ver coa necesidade de acabar coa fenda salarial que separa homes e mulleres. "Querémonos vivas, sen violencia machista"; "Contra o machismo, máis feminismo"; "Contra o patriarcado, feminismo organizado" ou "Non son mortas, son asasinadas" foron outros dos lemas que se corearon na mobilización, na que estiveron presentes representantes da política, como o portavoz parlamentar de En Marea, Luis Villares, ou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. Villares subliñou que "a loita pola igualdade debe ser visíbel cada día en todos os ámbitos, nas institucións e na rúa", mentres que Pontón puxo de manifesto que a igualdade "segue sen ser real e sen ser plena". A nacionalista denunciou que as mulleres "seguimos sufrindo máis desemprego, máis precariedade e somos as responsábeis da conciliación". Chamou a non sermos "conformistas" e puxo o foco sobre a violencia machista. Neste sentido, lamentou que, diante do aumento dos asasinatos, os poderes públicos "non dean unha resposta á altura das circunstancias". Aliás, reivindicou unha reforma das leis, do contrario, dixo, "non conseguiremos a igualdade en 200 anos". [Imaxes: @PGFeminismo, @pilarymara e Rubén Cela]
PRAZA_21056
O TSXG ratifica unha sentenza dun xulgado inferior que hai un ano obrigou ao Goberno galego a devolver ao seu dono 15.000 metros cadrados dos que se apropiou con "desviación de poder" para facer a Autovía do Morrazo
O TSXG ratifica unha sentenza dun xulgado inferior que hai un ano obrigou ao Goberno galego a devolver ao seu dono 15.000 metros cadrados dos que se apropiou con "desviación de poder" para facer a Autovía do MorrazoO Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ratificar a sentenza emitida hai un ano por un xulgado de Pontevedra que condenou á Xunta a devolver ao seu lexítimo propietario un terreo de 15.376 metros cadrados do que se apropiou ocupándoo durante as obras de construción do último treito da Autovía do Morrazo para convertelo nun lugar no que depositar entullos. Fíxoo, segundo censurou o xulgado inicial e agora ratifica o tribunal, para "liberar á empresa construtora da custosa carga de transportar ata un lugar autorizado as terras e entullos sobrantes da obra". Un proceder da Xunta que o TSXG considera "insólito", segundo a sentenza avanzada por Pontevedra Viva e á que tamén tivo acceso Praza.gal.A sentenza de hai un ano sinalou que a Xunta apropiouse por "vía de feito" do terreo de máis de 15.000 metros cadrados situado no lugar do Reibón, en Meira, Moaña, ao executar as obras de desdobramento do corredor do Morrazo para a súa conversión na Autovía do Morrazo, inaugurada en xuño de 2019, oito anos despois da primeira licitación. A construción dese último treito da autovía no que está situado o terreo do que se apropiou a Xunta foi adxudicada a unha unión temporal de empresas (UTE) formada polas construtoras Covsa e Taboada y Ramos, esta última dun empresario afín ao PP.A Xunta é condenada a devolver ao seu propietario os 15.000 metros cadrados no estado en que se atopaban, o que custará uns dous millóns de euros, e indemnizalo con 47.000 euros por cortar as súas árboresSegundo aquela condena, o Goberno galego incorreu nunha "omisión total e absoluta do procedemento establecido" para ocupar o terreo, co que cometeu desviación de poder. Ademais, a sentenza reflectía como nin durante o proceso xudicial emprendido polo propietario nin durante o xuízo a Xunta intentou defenderse, malia despois recorrela sen éxito ao TSXG. A condena agora ratificada obriga á Xunta a devolverlle o terreo ao propietario, eliminando os recheos e entullos depositados nel. O perito xudicial valorou o custo desa reposición en case dous millóns de euros. Ademais, a Administración deberá indemnizar o demandante con 47.391 polas árbores que foron cortadas.O TSXG ratifica esa sentenza e reitera que actuación da Xunta incorreu "en vía de feito, con desviación de poder, exercitando facultades administrativas para fins distintos dos previstos legalmente" e coincide en que serviu "unicamente a intereses da empresa construtora".Durante o proceso xudicial emprendido polo propietario, a Xunta nin intentou defenderse, segundo reflictiu a sentenza agora ratificadaPor outra banda, durante a construción dos primeiros treitos da mesma Autovía do Morrazo, a Xunta xa decidira modificar as súas previsións iniciais de que as obras se puidesen compaxinar coa circulación de vehículos polo corredor orixinario para así axilizar e facilitar os traballos das construtoras. Esa decisión de cortar o tráfico para facilitar os traballos fora criticada uns anos antes polo PP cando a tomou o anterior goberno bipartito durante a execución da Autovía do Salnés asegurando que supuña facerlle un favor ás construtoras.
NOS_11557
A Galiza rexistra unha nova suba do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) pechando o mes de xullo cun aumento de até 0,5%, o que significa que este índice aumentou dúas décimas máis respecto o anterior rexistro mensual, tal e como recollen os datos dados a coñecer polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
A Galiza rexistrou un dos maiores incrementos do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) no Estado durante o mes de xullo respecto aos datos recollidos na mensualidade anterior. Mentres, a media estatal deste índice retrocede en 0,6% nesa mesma comparativa entre xuño e xullo. O Estado elevou unha décima a súa taxa interanual mais, con todo, mantense igualmente nos seus niveis máis baixos en case tres anos. As principais subas na Galiza danse en alimentos e bebidas non alcohólicas, que situaron a súa taxa mensual en 0,1% e a interanual en 0,5%; mentres que no caso de bebidas alcohólicas e tabaco rexistrouse un descenso de 0,2 e 0,5%, respectivamente. En vestido e calzado a taxa interanual sitúase nun 1%, e en vivenda, a taxa mensual está en 0,6%. En canto a lecer e cultura, sobe un 1,4% en termos mensuais. As causas da suba da taxa interanual do IPC en xullo debéronse á evolución dos prezos das froitas Segundo salienta o Instituto Nacional de Estatística as causas da suba da taxa interanual do IPC en xullo debéronse á evolución dos prezos das froitas, que baixaron menos do que o fixeron en xullo de 2018, e ao encarecemento dos carburantes. Os artigos de lecer e cultura elevaron os seus prezos en xullo en 1,6% e a vivenda subiu os seus prezos un 0,7% polo encarecemento da electricidade. O grupo en que se encadra o sector hoteleiro incrementou o IPC en 0,4% debido á suba dos prezos nos servizos de aloxamento. O IPC aumentou no transporte en 0,3% e as causas atópanse segundo indica o INE no encarecemento dos carburantes e, en menor medida, do prezo dos automóbiles.
NOS_18023
A compañía achega este espectáculo despois de obter un recoñecemento nos premios Max por outra das súas pezas. As entradas para gozar da nova produción esta sexta feira, 3 de decembro, xa están á venda.
A compañía Nova Galega de Danza estreará esta sexta feira, 3 de decembro, o seu novo espectáculo no Cine Alovi das Pontes. O público poderá gozar da proposta Credo, unha adaptación poética da obra de Celso Emilio Ferreiro. Segundo a agrupación, dirixida polo coreógrafo e bailarín ferrolán Jaime Pablo Díaz, con esta montaxe procuran achegar "a viaxe interior que supón o Camiño de Santiago". Para iso combinaron música e danza, "unindo na mesma liña conceptual os cruceiros de pedra que se atopan na paisaxe galega" e, con especial atención, a aqueles elementos que se deixan notar na ruta das e dos peregrinos. As entradas para ver en acción as bailarinas e bailaríns Inés Vieites, Estefanía Gómez, Uxía Rivas, Pablo Sánchez, Ricardo Fernández e Amara Pérez xa están á venda. As persoas espectadoras que aposten neste espectáculo que chega á vila pontesa tamén gozarán coa música orixinal de Sergio Moure, que "interpretará os sons dunha Galiza intemporal imbricada na multiculturalidade propia do Camiño". A coreografía que se levará ás táboas correu a cargo de Fabián Thomé, coa coreografía tradicional da man de Jaime Pablo Díaz. Gañadora dun premio Max pola peza 'Leira' Como atractivo extra para mercar as entradas, que están dispoñíbeis para calquera dos dous pases (ás 19 e ás 21 horas) por cinco euros, cabe lembrar que esta compañía nacida en 2003 é a primeira agrupación galega que obtivo o recoñecemento dos premios Max. Neste ano foi quen de levar o galardón ao Mellor intérprete masculino de danza para Iván Millar pola peza Leira, que tamén obtivera unha candidatura ao Mellor Espectáculo de Danza no mesmo certame.
PRAZA_13083
Os conservadores desbotan unha proposición do BNG para rexeitar o proxecto de lei no que o Goberno central abre a porta a privatizar as canles autonómicas de radio e televisión
O pasado 20 de abril o Goberno central revolucionaba o panorama dos medios de comunicación públicos de todo o Estado cun duplo golpe de man: aseguraba o retorno do control gobernamental a Radio Televisión Española e abría a porta á privatización ou mesmo á desaparición das televisións e radios autonómicas. No caso das canles das autonomías, o gabinete de Mariano Rajoy está a piques de culminar o trámite parlamentario de urxencia para que os gobernos das comunidades se poidan desfacer delas, "convocando os correspondentes concursos para a adxudicación de licenzas" ou, se deciden mantelas, teñan a posiblidade de privatizar "toda a súa programación", "incluídos os servizos informativos". Poucos días antes de que as Cortes Xerais culminen a reforma -o 31 de maio- este mércores o pleno do Parlamento de Galicia votouna a instancias do BNG, que reclamaba un pronunciamento do PP a prol do mantemento da CRTVG como ente público, pero non o conseguiu. O BNG chama a "defender con unllas e dentes" a TVG e a Radio Galega ante o proxecto do Goberno central A través dunha proposición non de lei do deputado Bieito Lobeira os nacionalistas reclamaban o compromiso de "non aplicar na Galiza" os preceptos que aprobará o Goberno central e "defender as competencias" da Xunta neste ámbito. Tratábase, expuxo o parlamentario do Bloque ante o pleno, de "rexeitar abertamente este proxecto de lei" que, na súa opinión, é o mesmo que "defender con unllas e dentes a consideración de servizo público da TVG e da Radio Galega", impedindo "calquera proceso de privatización", moi especialmente "dos servizos informativos". "Hai comunidades dispostas a renunciar ás institucións propias e a instrumentos de seu como as televisións, mais o noso caso é diferente, somos unha nación, un pobo diferenciado" e os medios públicos "cumpren, ou deberan cumprir, unha outra función". "Este tema en Galicia non hai lugar a formulalo", espetou o voceiro do PP no debate, Agustín Baamonde. Para o parlamentario conservador a iniciativa do BNG é "tautolóxica" e o seu partido "non quere poñer constantemente a relaidade en tea de xuízo". Os nacionalistas, asegura, "están instalados na súa propia e exclusiva realidade" pero a formación popular non se pronunciará "sobre o que é evidente". "Imos optar pola posición de voto negativo" para "non alimentar a cerimonia da confusión acerca da privatización ou non" da CRTVG xa que, subliña, "ese carácter público está garantido por unha lei de obrigado cumprimento", a pactada por PPdeG e PSdeG o pasado ano para reformar os medios públicos do país. O PP, abonda, é un "partido de amplo espectro" que non se guía polo "toque de corneta do coronel" e por iso, argumenta, malia á postura do Goberno de Rajoy "o PPdeG sempre se pronunciou de maneira contundente en favor do carácter público dos medios de comunicación de Galicia. "Somos coherentes co noso criterio", remacha. O PP votou en contra para "non alimentar a cerimonia da confusión acerca da privatización" Pero para Lobeira esa lei "non blinda absolutamente nada" ante os novos proxectos que chegan de Madrid, especialmente polas súas duras esixencias económicas. "Con ou sen lei autonómica, no caso de que a Televisión de Galiza e a Radio Galega incorran en desequilibrio financeiro -o Estado imporá o déficit cero-", a Xunta terá que "cortar proporcionalmente" as súas achegas económicas ao ente. Isto sucede nun contexto no que "101 dos 123 millóns de euros" do orzamento da CRTVG proceden da Xunta. Polo tanto, mantén, os medios públicos galegos poden estar en risco de supervivencia, mais aínda cando "estamos acostumados" a que os deputados galegos do PP "cheguen a Madrid e voten segundo as ordes dos seus amos". "Temos dereito a unha televisión e unha radio, aínda que non lles guste", conclúe Lobeira.
PRAZA_14937
Ao ser 'Alma de artesanía' un proxecto online, o equipo pensou que o mellor xeito de presentalo era tamén a través da rede.
A través dunha web, descubriranse nove storytellings de nove artesáns que traballan en diversas disciplinas e aos que os fotógrafos Iván Nespereira e Matteo Bertolino e o realizador Pela del Álamo foron quen de "extraerlle a alma" Alma de artesanía é un proxecto audiovisual que ten como finalidade promocionar as rutas de artesanía na Mariña Lucense. Trátase dunha idea prantexada para visionar na rede e apoiada en todos os recursos online necesarios para ser espallada. A través dunha web, descubriranse nove storytellings de nove artesáns que traballan en diversas disciplinas e aos que os fotógrafos Iván Nespereira e Matteo Bertolino e o realizador Pela del Álamo foron quen de "extraerlle a alma". Nove xeitos de traballar que compoñen un auténtico tesouro da Mariña. Dende o departamento de comunicación do proxecto, levado por Diego Giráldez e Amparo Rodríguez (Massefecto Comunicación), e en coordinación co resto do equipo, pensaron que o mellor xeito de presentar o produto era tamén a través da rede utilizando Twitter como plataforma. É por isto que o vindeiro venres, os medios de comunicación estamos convocados a unha rolda de prensa online a través desta rede social para coñecer o proxecto canda aos que o fixeron posible. O vindeiro venres, os medios de comunicación estamos convocados a unha rolda de prensa online a través desta rede social para coñecer o proxecto canda aos que o fixeron posible O vindeiro venres, a través da conta @almadaartesania e co hastag #almadaartesania, lanzarase a ligazón web na que os xornalistas interesados, previamente nutridos de toda a información precisa sobre o proxecto, poderán coñecer o material audiovisual. Minutos máis tarde, cos realizadores e un responsable da organización distribuídos en distintos dispositivos e dende a devandita conta, os xornalistas poderán realizar todas as preguntas que consideren oportunas sobre a iniciativa. Alma da artesanía entra dentro dunha batería de ideas de dinamización turística de A Mariña Lucense que se están a levar a cabo na zona, promovidas pola Mancomunidade de A Mariña Lucense en colaboración coa Secretaría Xeral de Turismo.
NOS_15282
Galiza encadea seis meses seguidos de caída no prezo que se lle paga ao produtor. En xuño, o importe medio caeu por baixo dos 27 céntimos o litro, algo que só aconteceu no noso país.
O prezo ao que se lle paga o leite aos gandeiros galegos volveu baixar en xuño, nunha dinámica que semella non ter fin. Con esta caída, Galiza encadea os seis primeiros meses de 2016 indo de baixada en baixada de prezos. O informe que vén de facer público o Fondo español de garantía agraria (Fega) correspondente ao mes de xuño reflicte unha nova caída no que se paga polo leite no noso país: o prezo medio está en 26,9 céntimos (28,8 no Estado). Galiza é onde menos se lle paga ao produtor polo leite mentres que no outro extremo, o mellor pago na Península, está Canarias (44,8) e Euskadi, con 34,2 céntimos o litro. En xaneiro había 9.078 explotacións galegas con entrega de leite. En xuño, 8.806, o que supón 272 menos. O prezo medio baixa en Galiza dos 27 céntimos, o único territorio de todo o Estado español que padece esta cotización tan reducida. O seguinte en ter prezos tan baixos en xuño foi Cantabria, con 27,7 céntimos por litro. En Asturies pagouse a máis de 31 céntimos, en Castela-León a 29,3 e en Catalunya a 29,4; mentres que en Andalucía superouse os 31,5 céntimos o litro. Os produtores galegos comezaron o 2016 cobrando unha media de 28,8 céntimos polo litro de leite. Un prezo por baixo dos cutos de produción e que mantén coa soga ao pescozo a un bo número de granxas galegas. E este é o prezo medio, pois hai miles de explotacións onde se paga por baixo desa media. En febreiro o prezo era de 28,5, pasando a ser de 28,2 en marzo e en abrilbaixar dos 28 céntimos (27,9). En Maio foi de 27,3 e en xuño xa baixa dos 27 céntimos. Menos granxas En xaneiro había 9.078 explotacións galegas con entrega de leite, dun total de 16.341 que había en todo o Estado. En xuño a cifra é de 8.806 granxas, o que supón 272 menos.
NOS_50348
Na Galiza hai 7.090 persoas cunha base impoñíbel superior aos 700.000 euros. Son 0,26% da poboación galega, mais atesouran 25.500 millóns de euros. O diñeiro que posúen as 3 persoas máis ricas multiplica por 7 o orzamento da Xunta.
A suma de todos os bens e servizos producidos na Galiza durante un ano non darían para igualar a fortuna persoal que posúe Amancio Ortega e a súa filla Sandra. Toda a capacidade económica dun país nas súas diferentes ramas produtivas fica por baixo do patrimonio que teñen os seus 2 habitantes máis ricos. O PIB galego foi en 2012 de pouco máis de 55.000 millóns de euros. A fortuna que Forbes lle atribúe a Amancio Ortega supera os 48.500 millóns. Por resumilo, e simplificando en chave de ironía: para o mundo do sarillo económico sería máis catastrófico que desaparecesen Amancio e Sandra Ortega que que desaparecese Galiza. Na Galiza hai ricos. E hainos moi, moi ricos. Grandes fortunas que non minguaron coa crise, algunhas máis ben o contrario, e que nestes anos perfeccionaron os complexos entramados para esquivar ou reducir o pagamento de impostos e tributos na Galiza e no Estado español. Amancio Ortega, a súa filla Sandra (cuarta entre as 10 grandes fortunas do Estado, con 5.400 millóns de euros) ou Manuel Jove (quinto nesa clasificación, con 3.900 millóns) atesouran os principais patrimonios do país. Non son os únicos. Aí están os donos, por poñer uns poucos exemplos, de imperios como as conserveiras Jealsa e Calvo, Aluminios Cortizo, e un longo etcétera. O xornalista especializado en temas económicos Xosé R. Moscoso advirte da nómina de grandes fortunas galegas que "optimizan, como adoitan dicir eufemisticamente, o pagamento de impostos". Unha listaxa na que están os propietarios de Inditex, Jealsa, Megasa, Cortizo,... A suma da riqueza de Amancio Ortega e da súa filla Sandra é moi superior a todo o PIB de Galiza (55.308 millóns) Canto máis tes, menos pagas "Ademáis das Sicavs, tan habituais para os grandes patrimonios como Amancio e Sandra Ortega, Manuel e Felipa Jove, José María Castellano, José Manuel Fernández Loureda ou as familias Calvo e Fontenla, súmase outra dinámica que tamén ten no Imposto de Sociedades, o que grava os beneficios empresariais, o seu cabalo de batalla". Son as bases impoñíbeis negativas incorporadas a dito tributo, "coma se dunha desgravación se tratase, que levan a grandes empresas a declarar un beneficio negativo a efectos fiscais, aínda que os seus resultados sexan positivos. Grazas a iso, non pagan Imposto de Sociedades ou redúceno sensibelmente". Vantaxes O gran capital, pois, non tributa na Galiza. Por moi baixo que sexa ese tributo, manobran para declarar a través de lugares onde os impostos sexan aínda menores. Un exemplo son as xa mencionadas Sicavs, sociedades de investimento de capital variábel. Un instrumento moi do gosto das grandes fortunas para a xestión do seu patrimonio persoal pois permítelles pagar un ridículo 1 por cento de imposto de sociedades (unha pequena ou mediana empresa paga máis de 20 por cento). En 2008 na Galiza estaban domiciliadas por volta dunha trintena destas Sicavs, Na actualidade son unicamente tres e entre elas apenas suman 14 millóns de euros. Non desapareceron, senón que 'emigraron' na procura de (aínda) máis vantaxes. Galiza é o cuarto territorio do Estado cos ricos 'máis ricos'. E o terceiro cos salarios máis baixos e o último en pensións Holanda, Suiza ou, xa en menor medida, Irlanda son lugares apetecíbeis en que as grandes fortunas galegas domicilian 'sociedades holding' con que dar un regate ao fisco e evitan así tributar no Estado español polos seus inxentes beneficios. A fenda Galiza é o cuarto territorio do Estado, tras Madrid, Valencia e Balears, cos 'ricos máis ricos'. En 2011 o goberno Zapatero recuperou o Imposto de Patrimonio. A recadación obtida e o número de contribuíntes obrigados a pagalo dannos unha boa fotografía dos ricos que hai na Galiza. Son 7.090 persoas cunha base impoñíbel que supera os 700.000 euros ou con no mínimo 2 millóns de euros en bens. Son apenas 0,26% da poboación de Galiza mais atesouran 25.413 millóns de euros, equivalente á metade do PIB do noso país. Novagalicia Banco vendeuse por 1.003 millóns de euros a Banesco. Unha cifra que, voltando a referirinos ao rico dos ricos de Galiza, non chega nen a 2 por cento da fortuna que ten Amancio Ortega. É máis: só cun terzo dos 3.300 millóns de euros en que aumentou a súa fortuna en 2013 daría para comprar NGB. Todas estas cifras indican até que punto a fenda salarial e social vai a máis na Galiza, nunha tendencia que xa era previa á crise. Unha desigualdade que nos estados que integran a OCDE (Organización para a Cooperación e Desenviolvemento) está na actualidade no seu nível máis alto dos últimos 30 anos. No Estado español 10 por cento da sociedade mellor situada economicamente gaña 15 veces máis do que a media. Unha fenda que aumenta. Unha situación que é máis desigual aínda na Galiza. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, o noso país é o terceiro territorio do Estado co salario medio máis baixo (20.241 euros). Mais, lembremos, somos o cuarto con máis ricos. Esta reportaxe apareceu no número 83 de Sermos Galiza, publicado a 6 de febreiro de 2014. Loxicamente todos os dados económicos que nela aparecen se referen a esa altura.
NOS_7645
Laboratorios de todo o mundo compiten por unha vacina eficaz e segura contra o novo coronavirus, capaz de previr a infección mais de garantir unha produción suficiente e accesíbel. Nós Diario conversa con Carlos Estévez Fraga, neurólogo no University College London e subinvestigador no ensaio clínico da vacina de Oxford.
—En que fase de desenvolvemento se atopa a vacina de Oxford? O ensaio clínico en fase 1-2, con máis de 1.000 pacientes, rematou. Aí constatouse que a vacina ten un bo perfil de seguridade e que, ademais, xera resposta inmunitaria, o que indica que pode funcionar. Actualmente está en estudo fase 2-3, onde se mira non só que a vacina sexa segura senón que sexa eficaz nunha mostra moito máis grande de pacientes: no Reino Unido participan uns 10.000 doentes de entre 18 e 55 anos, mais tamén se levan a cabo ensaios no Brasil, Suráfrica e os Estados Unidos, co fin de maximizar as posibilidades de que saia adiante. Neste momento tamén se están recrutando pacientes maiores de 55 anos cos que se comezará a traballar de inmediato, que son os que teñen máis risco de complicacións asociadas á Covid-19. —Que tecnoloxía emprega a Universidade de Oxford para dar cunha vacina eficaz, fiábel e segura? A vacina utiliza un adenovirus que causa arrefriados nos chimpancés. A ese adenovirus quítaselle unha parte do seu código xenético para impedir que se replique, de forma que non poida dividirse nin reproducirse nin infectar. O seguinte paso consiste en introducir nese adenovirus a proteína S -spike- do coronavirus, a que fai que teña aparencia de coroa e a que emprega, tamén, para meterse dentro da célula e causar infección en humanos. Cando lle administras esa fórmula a un paciente san, o que esperas e o que xa se viu que consegue, é que o seu propio corpo xere unha resposta inmunitaria contra esa proteína do virus, polo que de chegar a entrar en contacto co novo coronavirus xa tería producido uns anticorpos que o destruirían. —Sábese canto tempo pode durar esa protección? Non se sabe, pero hai bastantes datos que corroboran que tes máis anticorpos canto máis grave foi a túa enfermidade, que van desaparecendo a media que pasa o tempo e que son especialmente baixos en xente maior. A inmunidade da vacina é a grande incógnita. Só o tempo dirá canto vai durar a protección que sexa capaz de xerar. Ao cabo dun ano, cando remate o estudo que iniciamos este verán, teremos máis datos, pero até entón esa pregunta seguirá sen resposta e seguirá sendo das máis importantes. —Dar cunha vacina efectiva exixe uns prazos que o coronavirus obrigou a reducir. Que riscos de seguridade pode supoñer este aceleramento nos procesos de investigación? É certo que non se fixeron estudos toxicolóxicos en animais, dos que se obteñen moitos datos, mais lográronse procesos moi eficientes que apuntan que estamos ante un fármaco seguro. É moi raro ver un estudo en fase 1-2 con máis de 50 pacientes. Con 1.000 participantes as garantías son maiores, e partimos dunha experiencia de excelencia previa con outras vacinas similares. É certo que existe un risco potencial asociado ao desenvolvemento dunha resposta inmunitaria esaxerada fronte a un virus, da que se informa sempre e moi ben aos voluntarios que participan no ensaio. —Cando se podería dispoñer da vacina se demostra a súa eficacia? Habería que esperar un ano desde que entra o último paciente en fase de estudo, e o último, de entre 18 e 55 anos, incorporouse este verán. Pero que a vacina demostre a súa eficacia clínica depende moito da cantidade de casos que haxa na poboación. O que se busca é previr casos novos de Covid-19, polo que se precisan moitos casos activos para poder demostrar o seu beneficio. Conseguir este obxectivo en Reino unido vai ser difícil salvo que se produza unha segunda onda. Sería máis doado acadalo en Suráfrica ou Brasil. Polo tanto, demostrar o beneficio clínico da vacina vai depender da evolución natural da propia pandemia —Como será a produción e a administración da vacina? A vacina xa se está producindo. Na Unión Europea chegouse a un acordo coa compañía AstraZeneca para que estea lista de antemán en caso de que os resultados sexan positivos, para vendela a prezo de custo, un pacto, tamén, sen precedentes. Esta anticipación pode supoñer un diñeiro tirado ao lixo mais merece a pena ter esa provisión aí para administrarlla á poboación en canto se teñan os resultados do estudo. E entón habería que discutir a quen se lle administra primeiro. —Que logrou demostrar a ciencia en seis meses de loita contra o coronavirus? A miña lectura é moi positiva, non só polos logros propios da ciencia senón pola percepción que agora ten a xente da importancia que ten. A resposta foi espectacular e o que evidencia é a necesidade de maior investimento e mellor coordinación. Á cabeza en ensaios clínicos e ilusión Da vacina de Oxford sempre se di que é unha das máis avanzadas e das que máis esperanza alberga. "Non deixa de ser unha percepción subxectiva", apunta Carlos Estévez Fraga, mais hai motivos que alentan esa ilusión. "Dunha banda é a que antes iniciou ensaios clínicos a gran escala, e doutra desenvólvese no Instituto Jenner da Universidade de Oxford, un centro que ademais do prestixio e da carga científica que posúe ten moita experiencia na creación de vacinas xa que se dedica en exclusiva á facer este tipo de fármacos". A maiores, explica o neurólogo da University College London, conta co aval de ter empregado a mesma tecnoloxía que desenvolve agora contra o novo coronavirus para outras moitas vacinas como a do Zika, a do Chikungunya ou a do MERS. "Os datos acumulados indican que hai unha alta probabilidade de que a vacina teña éxito".
NOS_30301
O esgotamento do coñecido como peto das pensións leva a situar a lente sobre o sistema público de pensións para se preguntar sobre a súa orixe, presente e futuro. A nova entrega da sección 5x2 reúne Antolín Alcántara, secretario nacional de negociación colectiva da CIG, e Miguel Anxo Bastos, profesor de Ciencias Políticas e Socioloxía na USC, para debullar esta cuestión. Fanno no Sermos Galiza 246, á venda na nosa loxa.
Sermos Galiza. Estes meses abundou a raíz do peto das pensións o debate sobre a viabilidade ou non do sistema público de pensións... M.A. Bastos. O peto das pensións é só un apunte contábel. Aznar abriu un fondo de pensións que dotou con 20 mil millóns de euros, ese fondo mercou débeda pública, nomeadamente española, e devolveu os cartos con outra man. Non hai cartos gardados nese peto. É un calote que non é novo, inventouno Roosevelt nos Estados Unidos. A. Alcántara. O peto das pensións serve para referencializar o que son gastos e ingresos. Estes anos minguou e foron retirando diñeiro dese peto, que estaba investido en débeda pública, e iso serve agora como argumento para dicir que non hai ingresos e que hai que reformar as pensións: subir anos de cotización, aumentar idade de xubilación. SG. O debate, logo, céntrase en como debería ser o financiamento do sistema público de pensións Bastos. O sistema de pensións é un sistema contábel aparte, mais os ingresos que ten van para o estado e os gastos saen do estado. Nos anos de superávit, os ingresos excedentarios ían para o estado, que os gastaba. Agora hai déficit e os cartos que faltan cóbrense con impostos ou emisións de débeda. Crearon ese imposto de traballo co gancho da promesa de que nos ían dar unha pensión ao chegar a vellos. Cando a inventa Bismarck ten 20 millóns de cotizantes mais apenas uns miles a cobrar. Que acontece agora? Que hai menos xente moza traballando e moita xente maior xubilada. Isto afecta non só ás pensións senón a todo o estado de benestar: a sanidade, educación... Alcántara. Queren convencernos de que as pensións teñen que autofinanciarse e iso non ten por que ser así. En 2011 o número de traballadores de alta na Seguridade Social (SS) eran igual que en 2016. Porén, a diferenza de ingresos era de 2.300 millóns de euros. É dicir, ingresábase máis en 2011 co mesmo número de cotizantes que en 2016. Iso afecta as pensións e débese á precariedade no mercado de traballo. Ademais da gran fraude que hai: Inspección denuncia que o 30% das horas que se traballan en contratos a tempo parcial non se cotizan. E cotízase un 15% menos de horas totais traballadas que hai 5 anos, cando agora hai máis asalariados que daquela. [Podes ler o debate íntegro no número 246 do Sermos Galiza, á venda na nosa loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]
NOS_7682
A idea básica é que o Pazo de Meirás sempre foi un ben público, de titularidade estatal, e que a familia Franco tentou apropiarse del de forma fraudulenta por medio dun contrato "ficticio". A Xunta pro Devolución reuniuse esta quinta feira na Coruña e acordou pór en marcha o proceso conducente a que Patrimonio Nacional se faga cargo do imóbel.
Patrimonio Nacional é o organismo estatal dependente de Presidencia -no actual organigrama da Moncloa, da vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría- que se ocupa de coidar dos bens históricos de titularidade estatal postos ao servizo da Casa Real, isto é, da xefatura do Estado. Durante a ditadura o PN tiña ao seu cargo os bens dos que facía uso Francisco Franco. De acordo co informe xurídico realizado polo profesor da UDC Xabier Ferreira, o pazo de Meirás, previamente espoliado, foi entregado en 1938 a Franco na súa calidade de xefe de Estado, e non como particular. Así constaría nun telegrama enviado polo gobernador da Coruña a Serrano Súñez, naquela altura número dous do réxime. En 1940 o Estado promulgou a Lei de Patrimonio Nacional e Franco ocupouse persoalmente de que na relación de bens adscritos a este non figurase o Pazo de Meirás. En 1941 completou a xogada ao escriturar edificio e finca e poñelos ao seu nome. Pagou un baixo prezo, 85 mil pesetas da época. É un contrato fraudulento, explicou Xabier Ferreira, porque simulaba unha transacción entre uns particulares que xa posuían o ben -a familia do tirano- e unha parte vendedora que a efeitos prácticos xa non eran donos da propiedade. Ese "negocio ficticio" é susceptíbel de ser anulado. Esa é a base argumental que vai levar á Deputación a instar a Patrimonio Nacional a que inicie accións para, vía a anulación do contrato, recuperar a titularidade do ben. Así o decidiron as integrantes da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, que tamén deu vía libre a manter reunións cos grupos do Parlamento galego e representantes doutras institucións. A Xunta pro Devolución coñeceu esta quinta feira o informe xurídico e un estudo histórico elaborado polo profesor da USC Emilio Grandío. Apreséntarono perante a imprensa o presidente da Deputación, Valentín González Formoso; a vicepresidenta, Goretti Sanmartín; Xabier Ferreira e o propio Emilio Grandío. O titular da Deputación puxo en valor que os informes son produto de "moitos meses de traballo e de colaboración coa Xunta pro Devolución" e mostrou a súa convicción de que "grazas ás conclusións que se desprenden dos informes se abre unha porta á esperanza para devolver un BIC ao dominio público". Por súa parte, Goretti Sanmartín xulgou os informes como "sólidos e rigurosos" . "Debe coñecerse a verdade do acontecido, os estudos deixan patente que hai vías legais para recuperar o pazo para a sociedade". Canto ao informe histórico, Emilio Grandío -coautor do traballo con Manuel Pérez, como el membro do grupo de investigación Hispona da USC- afirmou que a natureza da transmisión do ben decorre dun contexto "no que non había representación democrática senón que a representatividade era a vitoria militar". Nese marco histórico existía "unha confusión sobre aquilo que era de dominio público ou privado".
NOS_50732
Desde 1955, no máis crú da invernía franquista, unha ameaza pairou sobre Navia de Suarna, a construción dun encoro. A obra non chegou a se materializar, aínda que si se puxeron en marcha algunhas infraestruturas preliminares, con consecuencias desastrosas para concello e comarca. Máis de seis décadas despois, un contra-ataque en forma de versos e música tórnase o mellor antídoto fronte ás agresións ao patrimonio natural. O I Encoro Poético Musical na Vila de Navia tivo lugar este domingo, con diversas actividades, entre elas un tributo á poeta Marica Campo.
"Unha espada de Damocles pendurada sobre as nosas cabezas máis de medio século". Eran os 50, 60, do pasado século. O desenvolvimentismo da ditadura levaba por diante poboacións e medio ambiente natural. Galiza ficou gravemente afectada pola febre franquista dos encoros. Esa espada de Damocles, que ía atinxir catro municipios, non se acabou de cravar no corazón do Navia, entre outras cousas pola oposición veciñal. Mais "as consecuencias foron tremendas", relatou o escritor Toño Núñez na presentación do I Encoro Poético Musical Vila de Navia de Suarna. E pormenorizounas: "Falta de investimentos e de obras, atraso nas infraestruturas e servizos, despoboamento, emigración, decadencia, parálise colectiva". Fronte esa agresión érguese agora unha resposta en forma de versos e de música. "Os encoros anegan terras, patrimonio, cultura, experiencia, esperanza, recordos... e este encoro poético e musical quere tamén anegar; neste caso, quere anegar estas terras de Navia de Suarna de versos e de música, de amizade e de camaradaxe". E, ben, hoxe a ameaza xa non é tanto o encoro —en maio de 2010 o Parlamento galego rexeitou por unanimidade a súa construción ao aprobar unha iniciativa do BNG— como o despoboamento xeralizado do rural na Galiza, moito máis acusado nas terras dos Ancares. "Se todo o rural está doente, a montaña boquexa sen remedio. E Navia de Suarna, vila e concello, están na UVI", denunciou Toño Núñez. Este I Encoro Poético, con vocación de continuidade, é a primeira das iniciativas da recén criada asociación cultural Irmandiños Naviegos Amigos do Castelo. A cultura contra a desaparición. Ese é o desafío. "Quero aproveitar a ocasión para facer un chamamento a toda a veciñanza que teña unha faragulliña de sensibilidade cara á nosa cultura, cara ao noso patrimonio", dixo o poeta e tamén narrador, autor de Navia, nai (2006). A asociación ten entre os seus obxectivos "recuperar para o pobo" unha das xoias da comarca, o castelo de Navia, fortaleza construída no século XI e derruída en 1467, para logo ser reconstruída, durante a revolución irmandiña. "Pobre castelo! Habémolo permitir? Habemos permitir que o noso castelo morra de desleixo?", perguntouse Toño Núñez, quen ve no monumento a sede ideal para "a nosa Casa do Concello". Xa está posto en andamento pois este encontro poético e musical "onde encoran as verbas nunha festa de irmandade" e cuxo primeiro tributo foi para Marica Campo, unha das escritoras do país que mellor ten cantado a terra da que estamos feitos. Navia Arnal e tenra Navia no camiño das aves, a espada de Damocles pendurou sobre dela sesenta anos longos. Quixeron esquecer a historia milenaria amolecendo as pedras, asolagando sombras coma pantasmas brancas, afogando os saloucos do vento na invernía. Mais foi a voz do pobo, en xeracións ferida, o mellor dos poemas, o conxuro acendido na candea da deusa. Deusa Navia, señora das estacións que xiran na nora persistente do devir das colleitas. Por iso, peregrinando nas palabras, intercambiamos hoxe anacos de existencia, alquimias siderais, planos para un encoro de humanidade e rosas. 11 agosto 2019 Marica Campo Nota: na fotografía que acompaña este texto aparece Marica Campo ao recibir de mans de Toño Núñez a súa distinción como primeira persoa á que se rende tributo no encoro poético musical
PRAZA_4515
Houbo moitas decisións neses anos pasados que non comprendín e das que discrepei pero sempre sentín que se trataba dunha oportunidade histórica única e que había que apoiar ese gobernante. Participei con independencia e á miña maneira dese intento de que España fose un lugar mellor e un estado integrador e que puidese dar cabida ás súas diferenzas nacionais.
Escribir unha reflexión en marcha nunha web onde se incorporan 'posts' obriga a modular o texto que se vai tecendo. Apréndese de quen non ten como oficio o redactar opinión e con todo ofrece interpretacións moi ben fundadas pero tamén se aprende das expresións de rabia, pois son parte da conciencia social nese momento. A mala hostia e os super machos Pouco hai que engadir ao que xa expuxen sobre o guerracivilismo español, a 'mala hostia' é un elemento fundamental da vida pública que, cando non pode expresarse coa violencia directamente, exprésase coa descualificación e o insulto. A 'mala hostia' é aceptada como normal, un trazo identitario do que se senten orgullosas persoas tanto de dereitas como de esquerdas. De pouco vale que se diga que é reaccionario e antidemocrático, pode máis o 'ser macho', alardear de instinto asasino. Iso da educación, dialogar e respectar os demais son 'mariconadas', xa se sabe. Aos súper machos non se lles pode argüír nada salvo pór os ovos sobre a mesa, cousa que non fai ao caso. Os melindrosos, os frívolos, os sectarios e os mozos O curioso é que aos súper machos se lles suman as persoas exquisitas, melindrosas que atopan sempre o modo de situarse á marxe cun "non era iso, non era iso" ou o frívolo "puagh, eu son moito máis puro". Tampouco atenderá a razóns quen está encerrado na psicoloxía do sectario que non lle permite aceptar que probablemente hai aspectos da verdade nas posicións de quen pensa diferente. Pero, en cambio, si é necesario contestar as críticas radicais dos mozos. Igual que existen os países e as clases sociais tamén existen as xeracións. As xeracións novas teñen dereito a vivir nun mundo onde tamén haxa adultos, teñen dereito a que, ademais da súa enerxía, contar coa experiencia de quen foron mozos antes. Renunciemos os maiores a ser 'guais' e tentemos ser adultos. Non, non todo son iguais Creo que boa parte das críticas á figura e á política de Zapatero que proveñen de mozos airados son equivocadas. As críticas e a maior parte das reivindicacións das plataformas que se moven contra a política económica e social vixente, tanto co anterior goberno como con este, son xustísimas pero a descualificación global de todo e de todos é inxusta e equivocada. Os mozos que acamparon na Porta do Sol madrileña e que foron imitados por outros noutras prazas tiñan razón na súa reclamación fundamental: en contra do que se lle prometeu, as súas expectativas vitais foron contrariadas e víronse abocados a un certo limbo laboral e vital. Pero iso non quere dicir que todos os partidos sexan iguais, un cínico aserto que repiten interesadamente os voceiros da dereita pois saben que non afecta as súas bases. Precisamente naqueles días a dereita celebraba aquela estampa, pois supuña unha constatación do fracaso económico e unha tremenda desautorización do goberno socialista, pero ao mesmo tempo esixía que as prazas fosen desaloxadas pola policía, chegou o PP ao Goberno e faltoulles tempo. Non, non todos os partidos son iguais e por iso este Goberno realiza unha política de orde pública represiva e antidemocrática. Non é igual o PP que o PSOE ou o BNG, ou EU, ou ERC, por exemplo, e non era igual Rajoy que Zapatero. Precisamente o fracaso deste evidénciase en que sexa deostado e posto ao mesmo nivel que o seu sucesor tanto por xente da dereita como por xente de esquerdas e coas mesmas palabras e con igual violencia. Unha sociedade de centro esquerda? Dixen que o fracaso de Zapatero se resumía en tres derrotas. Unha foi debida á hexemonía da dereita sobre a sociedade. A dereita contou e conta con todos os medios de comunicación, faltoulles tempo para secuestrar TVE, pero a estas alturas a miña opinión é que iso non se podería conseguir se non fose porque a propia sociedade española é fundamentalmente de dereitas. O de que España é de centro esquerda e moi democrática é ou ben unha crenza inxenua ou ben un 'conto chinés', España tras o triunfo dos militares nacionalistas no 39 e o sádico traballo de cirurxía e disciplina durante varias décadas é de dereitas, esa ideoloxía reaccionaria está no profundo das familias e dos individuos. Xa non falo da cultura política dos seus herdeiros. Visto o que vivimos e vivimos a diario non podo compartir o optimismo que manifestaba Zapatero respecto diso. Ou esa explicación racional ou estamos todos tolos. O dominio da ideoloxía da dereita. É ese dominio da ideoloxía da dereita sobre a sociedade o que permite que o evidente non sexa visto. Que nin sequera se lle recoñeza a Zapatero o éxito final na loita contra ETA, por exemplo. Foi un esforzo de anteriores gobernos, tamén do de Aznar, non esquecemos que sufriu un atentado contra a súa vida, e que finalmente foi un éxito do goberno de Zapatero. Non pretendo facer aquí o recordatorio das medidas que impulsaron os seus gobernos, só desde unha posición ideolóxica contraria ou desde a mala fe pódese obviar un gran esforzo por transformar a sociedade no sentido máis xusto e democrático. E non é necesario lembralo porque xa nolo lembra este goberno día a día: destruíndo mediante decretos, grazas á súa maioría absoluta, o que construíron os gobernos de Zapatero mediante leis negociadas coa oposición. O que fai este goberno é o contrario do que fixeron os anteriores, quen non quixo ver no seu momento, en relevo, o que lexislaba Zapatero está obrigado agora a ver, en oco, o que decreta Rajoy. Non querían unha cunca Seguramente Zapatero creu que permanecería algo do lexislado, algo do avanzado, pero non: todo foi ou está a ser varrido. Fracasou, si. Efectivamente, fracasou e Rajoy, por agora, triunfa. Pero con esa derrota, con todas esas perdas, é derrotada toda persoa que crea na democracia e nun estado que reparta oportunidades e imparta xustiza. Quen lamentan a anulación do dereito á xustiza que amparaba a Constitución poden agora lembrar a un ministro que dimitiu unicamente por asistir a unha cazaría, e que el mesmo padeceu unha cazaría. Ou poden lembrar a aquela ministra obxecto de tantas ironías e burlas, 'a Aído', que lexislou o dereito ao aborto e viu como lle facían 'escraches' aos seus pais os mesmos que agora lexislan contra as protestas na rúa. Quen se burlaban da Educación para a Cidadanía, parecíalles tan ñoña, poden agora pasmarse ante a reforma educativa españolizadora, clasista e nacional católica. Quen se sumaron irresponsable ou inxenuamente á cruzada nacionalista contra Cataluña e contra o 'Estatut' poden agora asombrarse de que millóns de cataláns, non unha panda de políticos aloucados, estean até do gorro de España. Quen non comprenderon que a Lei de Memoria Histórica era unha lei valente que xeraba unhas críticas terribles poden agora contemplar ao franquismo relucente. E así ministerio por ministerio, pantalla de plasma por pantalla de plasma. De perfil contraditorio Dixen antes que Zapatero era un solitario e como tal moveuse dentro do partido e en relación co. A súa personalidade ten trazos aparentemente contraditorios que o fixeron desconcertante: un defensor radical da vida civil pero formado en valores case militares; un demócrata radical pero sen a mordacidade populista de 'come curas' senón militante da cortesía e as boas maneiras; un defensor do dereito das mulleres ao aborto e dos homosexuais ao matrimonio pero home de familia de perfil tradicional. Tamén foi derrotado, aparentemente, polo aparello do seu partido Sendo un gobernante que tomou boa parte da súa forza de conectar con novas xeracións, que son distantes e mesmo refractarias aos partidos, especialmente aos partidos tradicionais e históricos, toda a súa vida política pasada, a presente e a futura está unida a unhas siglas que mitifica: PSOE. O solitario é un home de partido, dese partido en concreto, até a devoción. É consciente dos defectos e limitacións do PSOE pero ten unha fe case de sancristía en que saberá superalas. Esa devoción fixo que se relacionase co aparello do partido cunhas doses de prudencia que non satisfixeron os militantes e cadros máis críticos que necesitaban unha ruptura co pasado. En cambio Zapatero confiou esa mudanza a introducir unhas eleccións internas, as 'primarias'. Parecía un cálculo razoable ata que estalou a crise e só se puido concentrar nunha acción de goberno para achicar auga do barco e tapar novos buracos cada día, cedeu ás presións para anular as primarias. O 38 congreso dese partido en Sevilla, onde Chacón se enfrontou a Rubalcaba, quen finalmente gañou grazas á implicación activa de González e Guerra, non conseguiu achegar unha nova política e en cambio ofreceu a imaxe de que 'a vella garda' retomaba o control do partido. Todas as enquisas din o que todos sabemos, que a situación dese partido hoxe é incomprensible. Con todo, non é imposible que ao final o tempo lle dea a razón a Zapatero e, xa que as primarias non teñen volta atrás, e no futuro ese partido teña a posibilidade dunha renovación política e de ser útil. E, naturalmente, a gran derrota. Non hai dúbida, nin el mesmo o dubida: no parlamento fixo unha consideración de que probablemente se equivocou ao non picar a burbulla inmobiliaria española. Non cabe moita dúbida de, tras desencadearse a crise financeira exportada desde Wall Street, o estalido da tal burbulla produciu este colapso económico e financeiro da economía. Do que cabe dúbida é de que, unha vez que Aznar transformou todo o territorio en solar e desencadeou aquel proceso, algún goberno se atrevería a deter aquela bóla de neve na que participabamos todos. Todos queriamos respirar algo do aire viciado daquela burbulla. Os mozos que atopaban un traballo ben remunerado sen necesidade de acabar os seus estudos, quen abandonaban outras actividades para dedicarse arreo a algún sector daquel corno da abundancia que era o negocio inmobiliario, os dirixentes dos bancos e das caixas que almorzaban, xantaban, merendaban e ceaban cava e caviar, os políticos que orzaban e inauguraban e, de paso, moitos deles collían os seus 'sobres. Que goberno modificaría a política hipotecaria para picar o noso soño de ser propietarios dun inmoble antes do trinta anos e ademais mandar ao paro a millóns de obreiros da construción? O de Zapatero tampouco o fixo, confiou en que o modelo económico existente evolucionaría e maduraría, que o goberno, ademais de incrementar o financiamento en I+D só tiña que apoiar a banca e ás grandes empresas españolas, que eran un motor potente que seguiría creando emprego. Non só se reducía o paro como nunca senón que chegaban millóns de traballadores estranxeiros, o certo é que para quen non cuestionase as bases dese modelo isto parecía unha Jauja insólita. Zapatero manifestou a súa confianza no modelo, unha crenza que estaba asentada en todos os despachos dos poderes e gabinetes de estudos, fíxoo co optimismo e a confianza en España que lle era característica, posteriormente foi pasto das burlas. A política económica da socialdemocracia. O seu erro foi ter o seu pensamento político inscrito dentro a corrente dominante desde hai décadas na socialdemocracia. Quen quixo saber a que aterse co fondo da política económica do PSOE puido tomar nota cando, na década do oitenta, González se acolleuse á máxima chinesa de 'gato branco ou gato negro, o importante é que cace ratos' e que o seu ministro Solchaga aclarou dicindo que 'España é o país europeo onde é máis fácil facerse rico'. Case vinte anos máis tarde Bodo Hombach, o guía ideolóxico de Schöder e Tony Blair, o da 'Terceira Vía' (cara a onde?), afirmou algo parecido: 'estamos absolutamente tranquilos acerca de que algunha xente se estea forrando'. A política da socialdemocracia, desde Schröder en Alemaña, é parte pasiva ou activa nos cambios económicos e sociais que fan de Europa un territorio onde aumenta a desigualdade. Pero, se somos algo serios, temos que vela no contexto mundial, dentro da globalización dos mercados e dos mercados de capitais. As explicacións de Zapatero Precisamente O dilema é un relato documentado dos límites da política, da impotencia do seu goberno e doutros ante o poder despótico dos mercados de capitais e dos intereses de estados máis fortes, como o alemán. O que mostra o libro é un desafío á democracia e a súa impotencia ante o reordenamento do mundo, onde emerxen novas potencias e o capital acumúlase en cada vez menos mans. Onde hai poboacións que melloran as súas condicións de vida pero onde a poboación traballadora europea ve como desaparecen os seus dereitos e crece a miseria. Paréceme que o libro contesta a unha afirmación que lin repetidas veces e oin a moitos amigos: "debeu dimitir entón e convocar eleccións". Zapatero detalla os perigos día tras día nun tempo agónico e conclúe que fixo ben en non dimitir entón, pois engadiría zozobra no medio dun temporal e tería consecuencias na economía inmediatamente. Deixaría en mellor situación ao seu partido pero en peor situación ao país. É un razoamento a considerar seriamente. Os estados, indefensos A democracia afronta o ataque de forzas enormes, Zapatero creu neste modelo e equivocouse pero non ten sentido algún cargar nel todas as críticas. Primeiro, porque ninguén o votou para facer outra política económica. É evidente que os millóns de cidadáns que o votaron non querían que fixese unha revolución socialista e nin sequera que picase a burbulla. E, segundo, porque ningún goberno dun Estado pode afrontar este desafío. Gobernou nun tempo en que desapareceron Estados europeos como Grecia, en que Italia deixou de ser un Estado soberano e pasou a ser unha provincia cun gobernador designado pola banca alemá, en que Irlanda ou unha dignísima Portugal foi humillada e sometida a tutela. Igual que o Reino de España, si. Todo ocorreu neste tempo. Trátase de algo moi duro, tan duro como o que estamos a vivir e como as penalidades de tantas persoas, e para enfrontar iso non van bastar as soflamas ideolóxicas. Os mercados de capitais non deixan lugar á socialdemocracia, estórballes, e creo que esta queda sen sentido histórico. Pero debo recoñecer que tampouco eu sei dunha solución para afrontar os problemas que padecen as nosas poboacións e que, mire cara a onde mire, tampouco a vexo. Un pouco de humildade é o primeiro paso para atopar un camiño. Os desexos contra a realidade. Visto xa coa distancia destes dous anos esa época pode ser vista como un ensaio de someter a política á ética e tamén de pór a proba os límites da realidade. Bastantes veces, especialmente na primeira lexislatura, pregunteime "pero é posible o que pretende?", porque se atreveu a facer cousas que entón parecían inconcibibles, aínda que agora a moita xente lles parece doado. Nos mellores momentos os soños fecundan a vixilia, houbo algo de soño naquela política. Finalmente a realidade puido co soño en moitas frontes, aquel Presidente que se atreveu a sacar as tropas da guerra de Iraq acabou reforzando as tropas en Afganistán e asinando a instalación de mísiles norteamericanos. 'Realpolitik'. "É demasiado pronto aínda para falar de Zapatero" Quen me quere ben advertiume, pero eu non o creo. Creo que había que dicir que foi un valente, que pretendeu o mellor para o seu país e que conseguiu moitas cousas e que España dá de si o que dá. Fixo o que debía, aínda que resultase derrotado. E iso había que dicilo porque alguén sacará algún proveito de todo isto. Pero, no fondo, se escribín un libro con Zapatero e se agora detéñome a facer esta reflexión é por outro motivo: porque me deu e dáme a gana. E non é un motivo trivial en absoluto, pola contra trátase de practicar a liberdade de expresión cando sabes que existe toda unha gran presión en contra. Ademais, que clase de persoas somos se permitimos que se difame ou se trate inxustamente a un amigo ou a alguén que non o merece. Desde que me lembro vexo as cousas e penso desde a esquerda política e desde Galicia, onde teño o meu destino, houbo moitas decisións neses anos pasados que non comprendín e das que discrepei pero sempre sentín que se trataba dunha oportunidade histórica única e que había que apoiar ese gobernante. Participei con independencia e á miña maneira dese intento de que España fose un lugar mellor e un estado integrador e que puidese dar cabida ás súas diferenzas nacionais. A miña opinión actual é que non foi nin será posible, non teño máis remedio que aceptar que España ten os seus donos e é xente como o ministro Morenés que apela ao Exército para garantir os seus intereses particulares e de clase e ese tótem franquista que o encerra todo, 'a unidade de España'. Coñézoos porque xa vou sendo maior e teño memoria, pero gustaríame chegar a ser un vello de verdade e estou seguro de que tampouco entón me arrepentirei de acompañar a Zapatero na medida e no modo en que me foi posible. Se leron todo isto teño que darlles as grazas e despedirme até a semana próxima.
NOS_888
Unha orde ministerial recollida no BOE onte limita a tres persoas a participación en comitivas fúnebres ou cerimonias de despedida.
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicado na noite do domingo recolle unha orde ministerial na que se detallan as novas medidas a aplicar após o falecemento dunha persoa. Debido ao decorrer dos rituais de pasamento, o Ministerio de Sanidade tomou a decisión de prohibir todos os velorios, tanto os que puidesen ter lugar en centros públicos coma privados, así como restrinxir outras cerimonias fúnebres en tanto que se manteña o estado de alarma. A evolución da epidemia da COVID-19 no Estado, como recolle a orde, supuxo un incremento dos falecementos. Ao tempo, no caso desta enfermidade, as familiares e persoas achegadas que mantiveron un estreito contacto coa falecida puideron sufrir un contaxio e ser transmisoras da enfermidade, polo que deberán permanecer nos seus fogares mantendo a correspondente corentena. Respecto á participación das familiares nunha comitiva fúnebre ou cerimonia de despedida antes da cremación da falecida, esta limítase a un total de tres persoas. Durante os ritos, deberán gardar unha distancia de seguridade de dous metros entre elas e a persoa que a oficie. As cerimonias civís ou relixiosas posporanse até a finalización do estado de alarma. A maiores, a orde ministerial prohibe as intervencións tanatoestéticas no caso de persoas falecidas por mor da COVID-19. A maiores, obriga a que no período de vixencia da orde o prezo dos servizos funerarios non exceda ao vixente con anterioridade ao 14 de marzo deste ano. Esta orde ministerial endurece as medidas decretadas pola Xunta da Galiza e publicadas no DOG a pasada quinta feira. Nela permitíanse os velorios, limitando a confluencia a oito persoas por sala de vela e prohibindo a asistencia a persoas con síntomas respiratorios de calquera clase.
PRAZA_11569
Aínda sen data para reflotar o barco, a retirada do combustible pode durar días xa que só se realiza con boas condicións de luz e climatolóxicas
Aínda sen data para reflotar o barco, a retirada do combustible pode durar días xa que só se realiza con boas condicións de luz e climatolóxicasMáis dunha semana despois de que na noite do venres 22 ao sábado 23 de novembro encallase na costa de Ares o barco quimiqueiro Blue Star coas súas adegas baleiras, ás 11 da mañá deste sábado comezou o transvasamento a terra das algo máis de 100 toneladas de combustible para o seu propio funcionamento que o buque aínda tiña a bordo. Porén, tras fracasar os intentos dos servizos públicos de salvamento marítimo de remolcar e reflotar o barco e contratar o seu armador á empresa privada holandesa SMIT Salvage, a mesma que remolcara o Prestige, aínda non hai data para a súa retirada.O transvasamento do combustible, que primeiro foi trasladado da popa á proa do buque, a parte máis próxima a terra, mentres que na costa de Ares se realizaban diversas obras para facilitar a operación, estaba anunciado para o venres, pero finalmente nesa xornada só se realizaron probas con auga. Finalmente foi este sábado pola mañá cando se comezou a bombear o combustible a terra, unha operación que aínda podería levar varios días xa que está condicionada tanto pola visibilidade como pola climatoloxía. Na zona, mentres, permanecen varios barcos de salvamento preparados para despregar barreiras contra a contaminación no caso de que se produzan fugas. O venres pola noite unha concentración de Nunca Máis en Ares congregou a varias ducias de persoas que reclamaron máis medios e mellores protocolos para evitar este tipo de sinistros marítimosMentres seguen as operacións para baleirar e retirar o Blue Star, Ares acolleu na noite deste venres unha concentración convocada pola plataforma Nunca Máis que congregou a varias ducias de persoas. Na protesta, que se produciu a dous días de que se cumpran este domingo 17 anos da primeira gran manifestación dese movemento social tras o afundimento do Prestige, reclamáronse máis medios e mellores protocolos para evitar este tipo de sinistros marítimos.
NOS_6311
"A lexislatura do rural iníciase coa axudas da PAC de 2016 sen pagar e con débedas pendentes da de 2015", afirma a Federación Rural Galega.
A Federación Rural Galega (Fruga) solicita à Consellaría de Medio Rural que axilice os tramites perante do Ministerio de Agricultura español para solicitar os fondos para poder pagar o adianto da Política agraria común, PAC, 2016. Lembra a organización que o pasado mês de xullo o Consellos de Ministros de Agricultura da UE tomou o acordo de autorizar os estados membros para que puidesen anticipar o pagamento da PAC 2016 a partir do 16 de outubro. "Anticipo que pode chegar a ser do 70% mos pagamentos directos e até o 85% no caso das axudas ao desenvolvemento rural". Mais, "o desleixo" da administración galega fai, afirma Fruga, que as persoas cond ereito a cobrar estes anticipos teñan que estar pendentes dos pasos que dá a Xunta. "Diñeiro que fai moita falta debido aos baixos prezos que estamos cobrando polos nosos produtos. No caso do sector lácteo a falta de liquidez ven motivada por ter que vender o noso leite cos prezos mais baixos de todo o Estado español e ter de enfrontar os gastos da recollida do millo forraxeiro e a implantación das pradeiras de outono-inverno" E a esta situación hai que engadir que nestes momentos aínda están pendentes de pagar axudas da PAC do 2015. "Algunhas delas pendentes da finalización de expedientes de inspección, mas outras por erros administrativos da propia Consellaría". A Fruga considera que "a lexislatura do rural", como a cualificou Núñez Feijóo no seu discurso de investidura, mal comeza com este tipo de situacións.
PRAZA_15600
Siareiros Galegos organiza un partido amigable que non ten o apoio das institucións, o que impide contar cos mellores xogadores galegos xusto agora que moitos deles destacan na elite. Unha convocatoria con futbolistas do Deportivo e do Celta abondaría para formar un equipo de garantías.
A selección galega disputará este sábado en Pontevedra un partido amigable contra o Curdistán. Será un partido afeccionado, organizado polos Siareiros Galegos e sen a presenza dos mellores futbolistas de Galicia. A negativa da Xunta á celebración deste encontro e o inexistente apoio do Goberno e da Federación Galega fai que só o compromiso de colectivos a prol da oficialidade dos combinados galegos manteña vivo un evento deportivo que pretendía converterse en tradición durante as festas do Nadal, pero que xa só o manteñen Cataluña e Euskadi no conxunto do Estado. Máis aló das lóxicas connotacións políticas que arrodean a calquera encontro de combinados nacionais, o tradicional partido da selección galega que instaurara o Goberno bipartito serviu durante catro anos para facer rexurdir unha canteira que esmorecía no fútbol de elite. Claro exemplo foron os partidos disputados por un combinado feminino no que estrelas mundiais como Verónica Boquete se deron a coñecer aínda máis nun país que durante moito tempo deixou de lado a súa base para centrarse nos seus equipos (ou nos alleos). "Os partidos da selección galega servíannos para promocionar o fútbol feminino; a raíz deles aumentáronse as fichas federativas", recordou Verónica Boquete "Aqueles partidos foron unha maneira de chegar máis á xente, que é o que nos falta. A sociedade descoñece que hai unha liga e que as rapazas tamén xogan. Aqueles partidos servíannos para promocionar o noso deporte e a raíz deles incrementouse moito o número de fichas federativas e os clubs femininos", declaraba unha das mellores xogadoras do mundo a Praza. "Os homes non necesitaban ese partido, pero nós si. Ao final, como tantas veces, o deporte mesturouse coa política e quen o acabou pagando fomos nós. A nós non nos importaba quen estivese no Goberno e quen montase o partido. Só queríamos xogar coa selección galega e promocionar o noso deporte para que a xente coñecese a nosa situación", engadía Verónica Boquete. Pero son moitos os xogadores que tamén defendían aquel partido como unha forma de darse a coñecer, de reivindicar a canteira e de poder amosar que a súa calidade nada tiña que envexar á dos demais. E xusto agora que os futbolistas galegos destacan cada vez máis na Liga española e nos equipos do país, a súa valía queda sen un escaparate ideal. Facer as convocatorias do combinado galego obrigaba a buscar a maioría de futbolistas fóra de Galicia Naquel primeiro partido que supuxo a reestrea da selección galega en 2005, contra o Uruguai, destacaba a escasísima presenza de futbolistas dos dous grandes de Galicia, Celta e Deportivo. As convocatorias -tamén as que chegaron despois- nutríanse na súa maioría con xogadores chegados de calquera punto de España ou de Europa. E había que buscar moito para acabar conformando un equipo de calidade. Naquel debut en Compostela, dous mitos das canteiras celeste e branquiazul tiveron unha presenza testemuñal. Míchel Salgado xogou uns minutos malia os atrancos postos polo Real Madrid, mentres que Fran non puido disputar o encontro debido a unha lesión e xa na súa última etapa como deportista de elite. Sobrarían futbolistas se fosen convocados todos os galegos de Celta, Deportivo e Lugo Nestes tempos de agromar da canteira, abondaría cos futbolistas galegos de Celta e Deportivo para formar unha selección galega dunha calidade máis que contrastada. Un once titular (e aquí cada afeccionado é un seleccionador) podería ser este: Sergio; Hugo Mallo, Insua, Túñez, Roberto Lago; Álex Bergantiños, Borja Oubiña; Álex López, Juan Domínguez, Toni; e Iago Aspas. Engádanlle no banco a Jonathan Vila, Seoane ou Dani Abalo, ou miren para o Lugo e aposten por Manu, Pablo Álvarez, Yoel, José Juan, Pita, Seoane, Iago Díaz, Iván Pérez ou Rubén Durán. Sobrarían futbolistas dos tres mellores equipos galegos da actualidade para facer unha convocatoria. Sergio; Mallo, Insua, Túñez, Lago; Bergantiños, Oubiña; Álex López, Juan Domínguez, Toni; e Aspas. Un once titular cos galegos do Deportivo e do Celta Pero hai moito máis. Na Primeira División xúntanse neste tempada futbolistas galegos como hai tempo que non ocorría. Diego López, Trashorras, Nano, Borja, Diego Castro, Fran Rico, Jonathan Pereira ou Rubén. E tamén en Segunda (Rochela, Mosquera, Julio Álvarez, Dani Mallo, Diego Mariño...) ou noutras ligas internacionais (Piscu, Denis, Pablo Couñago, Joselu, Iago Falque...). No entanto, serán futbolistas de Segunda B e Terceira os que defendan a camisola da selección galega en Pontevedra. E farano coa dignidade do que non fai falta convencer para apoiar o fútbol da terra.
NOS_16492
Nunha entrevista no 'Galicia por Diante' da Radio Galega o secretario xeral da CIG lembra que o Estado ten a obriga de garantir un dereito como as pensións.
"O debate das pensións non é mermaente técnico, é ideolóxico e político", afirmou Suso Seixo na entrevista que esta quinta feira lle fixeron no 'Galicia por Diante' da Radio Galega. Preguntado sobre a viabilidade do sistema público de pensións, o secretario xeral da CIG dixo que levamos anos escoitando falar da quebra do sistema público de pensións e que nese debate hai moito interese "dos grandes grupos económicos", como bancos, aseguradoras ou fondos privados. A xubilación é un dereito que ten que ser garantido polo Estado, lembrou, e amosouse partidario de que fondos dos orzamentos vaian para financiar pensións. "Se dos orzamentos saen partidas para gastos militares, ou para infraestruturas, por que non para pensións?". Fiscalidade Seixo ligou o debate para garantir ingresos parab as pensións coa necesidade de cambiar o actual sistema de fiscalidade, "moi inxusto estes anos", por outro no que no canto de primar impostos indirectos se vaia a un modelo impositivo no que pague máis "o que máis ten". A respecto da reforma laboral, sinalou que no novo Congreso hai unha correlación de forzas favorábel a que se derroguen, mais iso implicaría, apontou, que o PSOE estea disposto a "tirar abaixo" regulacións neste sentido que el mesmo aprobou cando gobernaba.
NOS_30926
O popular cantante morreu nun hospital madrileño, ao que acudira para someterse a unha operación de cadeira
O emblemático cantante Georgie Dann, autor de míticas cancións do verán como El chiringuito,La Barbacoa ou Carnaval carnaval, faleceu esta cuarta feira aos 81 anos en Madrid. O popular músico morreu no Hospital Puerta de Hierro de Madrid, onde ía pasar polo quirófano para unha operación de cadeira. GeorgesMayer Dahan naceu en París o 14 de xaneiro de 1940 no seo dunha familia de músicos e artistas. Estudou nove anos no conservatorio da capital francesa, onde se converteu nun experto clarinetista, antes de lanzarse ao mundo da canción lixeira. Tamén tocaba o saxofón e o acordeón. Dann aterrou en España a mediados dos 60 para participar no Festival do Mediterráneo. E quedou para sempre. Para amenizar as vacacións coa súa canción do verán, que invariablemente publicaba ano tras ano coa chegada do bo tempo. Os seus pegadizos retrousos soaron sen descanso nas emisoras de radio e os guateques dos 60 e 70. O cantante francé mantivo a súa fama durante os 80 e converteuse no rei do revival a partir do ano 2000. Temas como El Bimbó, Carnaval carnaval, El Africano, El chiringuito, La Barbacoa ou La Duchita fixeron de Dann un imprescindíbel do verán. O artista ten aparecido en non poucas ocasións en Luar (TVG), desde especiais de Fin de Aano até de Entroido.
PRAZA_15062
Feijóo evidencia que o seu grupo non vai ceder a maioría no órgano reitor da Cámara e ratifica que votará o que decida "a oposición" nos dous postos que lle corresponden. AGE organiza un "cortexo cívico" para asistir á constitución do lexislativo e o BNG convida a persoas afectadas pola crise.
A pelota estaba no tellado do PSdeG e guindouna cara ao PP, onde rebotou para volver ao seu punto de orixe. Ao longo da semana os socialistas galegos tentaron apagar o primeiro incendio da lexislatura, a distribución dos postos da Mesa do Parlamento entre os grupos, tentando implicar nel ao partido maioritario que, como era de agardar, non accedeu a unhas pretensións que na Cámara galega son vistas como próximas á política ficción. O PSdeG está na tesitura de ceder ou non a AGE un dos dous postos que, coa aritmética na man, lle corresponden no órgano reitor do lexislativo galego e apostou por que o PP renunciase á súa maioría, ocupando só dúas das cinco cadeiras para que así entrase o grupo de Beiras e tamén o BNG. O PP, como era de agardar, non o fará. Foi o propio Alberto Núñez Feijóo quen este xoves ratificou o que todos agardaban. "Os cidadáns xa elixiron cal vai ser o grupo que vai ter a maioría" e, polo tanto, "cal é a maioría nos órganos" do Parlamento. Polo tanto, evidencia, o PP sentará nos tres postos que lle corresponden -Presidencia, para Pilar Rojo, Vicepresidencia primeira, para Miguel Santalices, e Secretaría, para José Manuel Balseiro- e "votará a favor de calquera proposta da oposición" sobre "como quere estar representada en relación cos seus representantes", isto é, nos dous postos restantes. Polo tanto, queda nas mans do PSdeG, que este xoves reúne a súa Executiva para tomar a decisión, abrir a porta ou non á presenza dun terceiro grupo na Mesa -na pasada lexislatura cedeulle un posto ao BNG-. A decisión queda nas mans do PSdeG, que reúne este xoves a súa Executiva Os populares opóñense a ceder a maioría pero tamén á alternativa formulada por AGE, segundo a cal a "pluralidade" da Mesa estaría garantida ampliando o seu número de membros a sete, dos que catro serían para o PP e un para cada grupo da oposición. Aínda que Alternativa xa advertiu de que este cambio non implicaría, en ningún caso, gasto adicional ningún -repartiríase entre sete a asignación económica dos cinco actuais- Feijóo coida que non é "atinado aumentar o número de cargos" porque "os cidadáns nos están pedindo que os reduzamos, non que os ampliemos". Neste contexto, a única opción que o PP contemplaría apoiar é a lanzada polo BNG, encamiñada a que os grupos da oposición poidan estar por "quendas" na Mesa. Pero esta idea non é vista con bos ollos dende AGE e, ademais, precisa como calquera das anteriores o acordo do PSdeG. Cortexo cívico e convite a persoas afectadas pola crise A composición da Mesa do Parlamento farase efectiva na sesión de constitución da Cámara, que este venres comezará presidida por Xosé Manuel Beiras -por ser o deputado de máis idade- e rematará con Pilar Rojo de novo nesas funcións, unha vez reelixida como presidenta. A ese pleno os deputados e deputadas de AGE acudirán acompañados por un "cortexo cívico" que, partindo dunha praza próxima ao Pazo do Hórreo, consistirá en que os parlamentarios "irán camiñando acompañados por xente que queira sumarse" xa que, xustifican, "o pobo puxo a AGE no Parlamento e é o pobo quen a leva alí". AGE e BNG convidan a representantes da cidadanía a participar na xornada de constitución da Cámara Tamén o BNG apostou por integrar representantes de colectivos sociais nesta xornada. No seu caso, o Bloque confirma que convidou a presenciar a sesión a "unha representación dos distintos sectores máis afectados polas políticas antisociais e de recortes do PP". Así, representantes do sector naval, persoas afectadas polas preferentes, membros de SOS Sanidade Pública ou persoas en sistuación de desemprego "serán protagonistas da sesión" para, explican os nacionalistas, "darlle continuidade ao traballo desenvolvido polos deputados e deputadas do BNG durante os pasados tres anos e medio".
NOS_54229
O Barcelona vence sen dificultades en Riazor nun encontro no que o equipo coruñés amosou a súa versión menos brava, tanto deixando espazos á estrela arxentina como cos nervios na área rival, onde non estivo á altura.
Non foi a humillación dos oito tantos recibidos ante o Real Madrid, pero de novo o Dépor volveu amosar o lonxe que está dos grandes da Liga estatal -algo que doe especialmente dada a súa traxectoria histórica- e caeu por 0-4 ante o Barça en Riazor, no enésimo recital de Lionel Messi, autor de tres goles, o outro foi de Sidnei en propia porta. Unha inocencia que ás veces provoca carraxe na afección. Ese é o nivel dun Dépor ao que lle faltou bravura ante o Barcelona, que xogou a pracer durante amplos treitos do encontro e mesmo chegou a gustarse até o exceso fronte a un conxunto branquiazul que malia pequenos momentos de dignidade demostrou ser inocencia pura. Sirvan como exemplo dúas circunstancias. Messi -o xogador máis identificábel do mundo- ficou só e sen marcaxe en numerosas ocasións, o que se traduciu en tres tantos seus. Non foi o día da zaga branquiazul, onde si estivo decente o meta Fabricio. A maiores, as poucas veces que o equipo coruñés tivo claras oportunidades de marcar -como por medio de Cabaleiro ou Cuenca- pecou de nerviosismo, síntoma de complexo. Só Juan Domínguez creou por si mesmo unha ocasión. Outro mal partido dun Dépor que debería asumir a derrota pero non a timidez. Segue nos postos baixos da táboa, en risco de descenso. A fichaxe Oriol non demostrou nada. Si volveu o coruñés Lucas e houbo certa unidade crítica nas bancadas (con presenza e faixa dos Riazor Blues) entre a cal se reproducían á saída do estadio as acusacións cara directiva e adestrador. Namentres, o Barça vai o seu, alí arriba, co apoio de moit@s galeg@s nas bancadas, todo hai que dicilo.
PRAZA_444
Ademais das sete urbes, en máis de corenta concellos de toda Galicia están en marcha candidaturas cidadás, ás que nas vindeiras semanas se poderían sumar novas plataformas e agrupacións de electores.
Non só hai mareas nas cidades, tamén en vilas, concellos periurbanos e localidades máis pequenas. Nalgúns lugares, por necesidades xeográficas, as mareas son riadas, e noutros a denominación é distinta, pero o contido é semellante: candidaturas cidadás para as eleccións municipais de maio, con maior ou menor apoio de forzas políticas (nomeadamente Podemos, Anova, Esquerda Unida ou Espazo Ecosocialista, nalgúns lugares tamén Equo ou Compromiso por Galicia), con metodoloxías concretas (primarias abertas, funcionamento asembleario, elaboración colaborativa do programa, códigos éticos estritos...). A forma adoptada varía: entre a creación de partidos instrumentais (que permiten a posterior suma de votos para acadar representación nas Deputacións) e as agrupacións de electores. En máis de corenta concellos do país hai candidaturas deste tipo en marcha, máis ou menos avanzadas, algunhas con tres anos de traballo ás costas (Ames Novo) e outras que veñen de celebrar nos últimos días a súa primeira asemblea, ante a necesidade de pechar as estruturas da candidatura, ante a proximidade do proceso electoral. De feito, nas vindeiras semanas poderíamos ver aínda nacer algunha máis (ou tamén pode que algunha das que están en marcha decidan non presentarse), sobre todo dependendo da decisión que adopten varios círculos locais de Podemos que aínda debaten se impulsar unha agrupación de electores en concellos sen candidaturas cidadás constituídas. En Ames, Ames Novo foi pioneira neste proceso. A candidatura veciñal, apoiada por AGE e CxG, leva toda a lexislatura exercendo como tal nos plenos municipais (a través do traballo de catro edís) e nas rúas. Atópase nestes momentos celebrando as súas primarias, que se completarán este domingo, e nas que elixirán os once primeiros postos da lista. Tamén nos arredores de Compostela, en Boqueixón, hai unhas semanas que botou a andar Agora vós - Veciñ@s de Boqueixón, unha agrupación de electores que xa celebrou as súas primeiras asembleas e presentou un manifesto, contando co apoio dos actuais concelleiros de Anova e PSdeG-PSOE na corporación, o que provocou que os socialistas forzasen a dimisión deste edil. Indo cara o Barbanza atopamos un bo número de candidaturas. Por exemplo, en Rianxo onde Rianxo en Común xa traballa na elaboración do programa. Ou en Boiro, onde Boiro Novo xa celebrou dende xaneiro varias asembleas. Ou en Ribeira, onde Veciñanza ó Concello de Ribeira presentou o seu código ético. Algo máis complexa é a situación na Pobra do Caramiñal: Nós Pobra leva un desenvolvemento semellante ao das súas plataformas veciñas; porén, aquí o círculo local de Podemos aínda debate se traballar dentro desta candidatura ou se impulsar unha agrupación de electores. Hai tamén candidaturas en marcha nesta zona en Noia, coa Marea Cidadá de Noia, que esta mesma semana escolleu o seu candidato en eleccións primarias, que encabezará unha lista que se completará cos nomes que se decidan en asemblea. Tamén en Lousame, a través de Terras de Lousame, unha candidatura municipalista que elaborará unha lista con representación de dous veciños ou veciñas por parroquia e con liderado rotatorio. Hai tamén candidatura en Padrón, Veciños de Padrón, unha iniciativa que pretende "recoller o consenso da rúa e o seu descontento xeral coa xestión do pobo". Ou en Dodro, onde un grupo de veciños e veciñas preparan unha lista, que esta semana escollerá o seu candidato ou candidata á alcaldía. En Monforte atopamos outra iniciativa que, ao igual que a de Ames, ten xa un longo percorrido ás súas costas: Esperta Monforte, que leva traballando dende o pasado ano, e que está a piques de pechar a elección do seu candidato ou candidata á alcaldía. Preto da vila monfortina, en Chantada, un grupo de veciños prepara tamén unha candidatura, aínda sen nome, fronte á "parálise institucional" que, denuncian, sofre o seu concello. Aínda na provincia de Lugo, pero máis ao norte, en Vilalba semella estar preto de pecharse outra candidatura, que contaría co apoio de Anova, Esquerda Unida e Somos Maioría. Xa na Mariña, destaca en Ribadeo a aposta de Ribadeo en Común, que botou a andar no outono coa presentación dun manifesto e que nas últimas semanas foi pechando os últimos detalles da súa proposta. En Viveiro, tamén se traballa na elaboración dunha candidatura deste tipo, pero aínda non está confirmada a súa presenza nas eleccións. Achegándonos á Ría de Ferrol, o número de candidaturas aumenta. Podería haber listas en Cedeira (Marea de Cedeira); nas Pontes, cunha candidatura que podería contar co apoio de Esquerda Unida, Compromiso por Galicia e Anova, aínda non confirmada; ou Valdoviño, onde un dos inscritos en Podemos na localidade impulsa Agrupación de Vecinos Implicados. Na propia ría, destaca a actividade en Neda, onde Moveneda celebrou xa varias asembleas, recollendo variados apoios, de Esquerda Unida a Podemos. Menos avanzado está o proceso en Narón, onde Podemos celebrará unha asemblea a semana que vén para decidir os detalles da candidatura municipalista que, en principio, presentarán. No arredores da Coruña, están en marcha candidaturas en Culleredo (Marea Veciñal de Culleredo) e Cambre, aínda sen nome pero semella que co apoio confirmado de EU, Anova e outras forzas de esquerda. A mediados de xaneiro botou a andar en Carral a Asemblea Cidadá de Carral, que se define como "unha nova forma de facer política devolvendo o poder á veciñanza mediante mecanismos de participación cidadá, transparencia e loita contra a corrupción". Seguindo pola costa, haberá tamén candidatura en Laxe, Somos Laxe, impulsada por unha agrupación veciñal. Haberá tamén unha nova candidatura en Vilagarcía de Arousa, aínda con moitos detalles por pechar. Durante as últimas semanas representantes de Esquerda Unida e do círculo local de Podemos levaron a cabo negociacións para impulsar unha candidatura cidadá (nunca como coalición), que concorrería aos comicios coa forma de agrupación de electores ou de partido instrumental. Si está pechada a participación nas eleccións na cidade arousá de Somos Maioría. Haberá tamén candidatura en Ribadumia (Somos Ribadumia) e no Grove, aínda que neste concello continúan as negociacións para darlle forma. Recentemente Somos Maioría e Podemos propuxéronlle a EU e Anova (que xa acordaron concorrer conxuntamente) e a BNG unha candidatura de unidade. En Lalín, a Plataforma Aberta Cidadá está decidida a presentarse aos comicios, aínda que continúa mantendo xuntanzas para decidir a súa forma e os apoios cos que contará. Na Estrada tamén podería haber unha candidatura de confluencia cidadá, que contaría co apoio de Anova. Tamén se fala da posibilidade dunha candidatura deste tipo en Marín, pero aínda sen concreción. Nos arredores de Vigo son moitas as candidaturas, algunhas confirmadas en outras aínda en proceso. En Redondela volverá presentarse a Agrupación de Electores de Redondela, que xa obtivo un concelleiro en 2011. En Ponteareas, a marea chámase riada, A Riada do Tea, unha iniciativa que botou a andar hai apenas dez días. E en Mondariz, tamén se presentará Alternativa por Mondariz, impulsada por un grupo de ex militantes do BNG. Podería haber tamén candidatura no Porriño, impulsada dende o círculo local de Podemos, o mesmo que en Mos, onde se prepara unha agrupación de electores. De igual xeito, hai unhas semanas presentábase o movemento veciñal aberto Manifesto Miñor, que impulsa candidaturas cidadás en Nigrán, Gondomar e Baiona, que xa contan cun código ético e un regulamento de primarias. Na provincia de Ourense tamén hai un bo número de concellos que contarán con estas iniciativas. Destaca O Barco, onde ao igual que en Ponteareas a marea é riada: Riada cidadá do Barco, unha das candidaturas máis avanzadas. Tamén está confirmada a presentación da Forza Cidadá, en Verín. E o mesmo en Xinzo de Limia, aínda que sen nome polo de agora. Outros concellos ourensáns que contarán con listas deste tipo son O Carballiño, que se constituirá en partido nos vindeiros días ou Punxín, onde un grupo de veciños e veciñas botou a andar unha candidatura (como agrupación de electores) seguindo o ronsel de mobilizacións dos últimos anos nesta localidade. Tamén está confirmada a participación, en Taboadela, de VE-TA (Candidatura Veciñal do Concello de Taboadela), unha formación con representación dende 2007, e que destaca polo uso de asembleas veciñais para a toma de decisións. Tamén podería haber lista cidadá no Irixo, como continuidade ao movimiento que en 2011 e 2012 se organizou contra a Sogama do Sur.
NOS_23924
Catro persoas eran usuarias de residencias de maiores. Dáse a particularidade que son dos centros que máis casos teñen e, en xeral, levan varias xornadas con falecementos de infectadas polo virus.
A xornada de onte, cunha baixada do número de vítimas, foi só unha excepción pois a curva de pasamentos derivados do coronavirus volveu ir en ascenso ao longo do día de hoxe. Fontes da Consellaría de Sanidade informaron a última hora desta sexta feira de que houbo dez mortes, situando o número global nas 1.056. As autoridades sanitarias aseguraron que, como viña sendo habitual até o de agora, todos os decesos foron de pacientes cuxa saúde viuse complicada por padecer patoloxías previas á infección da Covid-19. Do total de vítimas, catro eran usuarias de residencias. En concreto, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (Chus) faleceu unha muller de 87 anos que fora trasladada desde o centro de maiores Santa Olalla de Boqueixón. Así mesmo, no hospital do Salnés notificouse o óbito dunha doente de 81 anos que era usuaria da DomusVi de Ribadumia. Xa no centro hospitalario de Vigo, o equipo sanitario non puido facer nada por salvar a un home de 83 anos que vivía na instalación de Salvaterra de Miño, arredor da que está a xurdir unha gran polémica adiantada por Nós Diario. Neste caso, moitas persoas aluden ás malas condicións de vida da infraestrutura. Nas instalacións de Nosa Señora dos Miragres de Barbadás finou outra muller de 92 anos. A maiores, o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) contabilizou outras catro mortes de tres varó0ns de 56, 77 e 88 anos de idade e dunha muller de 84. Por último, a Xunta informou dun pasamento dunha enferma de 85 anos que era atendida no hospital comarcal de Monforte de Lemos e outra de 83 que estaba ingresada no hospital de Ferrol.
NOS_54311
O colectivo fala de catro parámetros para esa iniciativa: constituír grupo galego nas Cortes do Estado, defensa dos intereses da maioría social e do dereito a decidir de Galiza, e rexeneración democrática.
Abrente avoga por unha candidatura unitaria galega para as eleccións xerais, unha proposta na que entende que é preciso que o BNG -fronte da que forma parte como corrente interna- "participe e apoie". A corrente, creada en xuño de 2012, expresa nun comunicado recollido por axencias que esa candidatura debería constituírse en torno a un programa en común en base a unha serie de parámetros: conformar un grupo galego no Congreso e no Senado, a defensa dos intereses da maioría social, o recoñecemento do dereito a decidir do pobo galego, e a rexeneración ética e democrática. Abrente parabenízase con que "unha gran maioría de galegos" apostasen en "alternativas políticas" que en "chage galega" e "de progreso" xeran un novo escenario político en Galiza. Nesta liña, defende que o nacionalismo vai alén do BNG e congratúlase que concellos como Pontevedra, A Coruña e Compostela vaian estar gobernados por alcaldes nacionalistas, "pertencentes a diversas forzas políticas". Carlos Aymerich é un dos dirixentes desta corrente, en cuxa fundación tomaron parte persoas como Camilo Nogueira, Suso Veiga, Ana Luisa Bouza ou alcaldes nacionalistas como o de Bueu e Vimianzo, entre outros.
NOS_10306
Afra Torrado, Paula Antía Rey Baliña, María Vilas e Helena Salgueiro son, xunto a Antón Blanco, Ismael Ramos e Tamara Andrés, algunhas das autoras máis novas da Galiza. Sobre isto escribimos no Sermos Adega 234.
A poesía é o xénero que racha as barreiras que separan as diferentes vertentes artísticas. No poema, a filosofía, a pintura, a fotografía e mesmo a antropoloxía están presentes. O texto que impacta é aquel que crea pensamento cunha voz xenuína. A capacidade de transitar e cultivar un espazo propio. Como recoñeceu a editora e poeta Dores Tembrás en declaracións a Sermos Galiza, "a poesía no noso país sempre gozou de moi boa saúde arredor da creación". Hoxe en día, na Galiza, hai moitas e moitos poetas de grande calidade, mais tamén están a agromar novos nomes. As voces máis noviñas da poesía galega chegan pisando forte. Elas, eles Afra Torrado, Paula Antía Rey Baliña, María Vilas, Antón Blanco, Helena Salgueiro, Ismael Ramos e Tamara Andrés son algunhas das voces máis novas da poesía galega. Todas chegaron á escrita poética de maneiras moi diferentes, mais a todas as une ese aquel do que agroma o poema. Torrado recoñece que sempre escribiu relatos e contiños, mais a poesía aparece na súa vida en plena adolescencia, arredor dos 15 anos, etapa na que se cociñan as primeiras ideas, sentimentos e dramas. De xeito distinto chegou para Paula Antía Rey Baliña, María Vilas e Tamara Andrés, xa que o primeiro contacto que tiveron coa poética foi na escola. Tamara Andrés comezou a escribir de xeito completamente inxenuo en primaria. "Poio, a localidade onde vivo, está moi vencellada ao concurso literario Xaime Illa que aquí ten lugar. As escolas fan moito por difundilo entre os seus alumnos. Tiven unha mestra, María Xesús, que nos infundiu a paixón pola poesía. A min, ademais, animoume a que escribise algo para o concurso porque sabía da miña querenza pola literatura. Foi aí cando comecei a xogar coas palabras". [Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 234, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]
NOS_40895
'Temos dereito a decidir', en Galiza, e 'Adeu, amics per sempre, Espanya', na comunidade galega en Catalunya, recollen apoios na defensa do dereito de autodeterminación e das liberdades democráticas.
Dous manifestos galegos en solidariedade e apoio ao referendo do 1-O e do proceso que a sociedade catalá impulsa nestes últimos anos. Un, en Galiza, que comezou a circular nas últimas horas e outro no seo da comunidade galega en Catalunya, con varios días de andamento. 'Temos dereito a decidir' reuniu numerosos apoios, do mundo sindical, do activismo, da poñítica ou da cultura. Desde Sés, Teresa Moure, Suso de Toro, Dionisio Pereira, Xurxo Borrazás ou Miguel Anxo Murado a Ana Miranda e Lidia Senra, entre outros moitos nomes. Dous son os eixos sobre os que se alicerza este chamamento, a defensa do dereito a decidir e a defensa das liberdades democráticas. "Defendemos o dereito a que este referendo se poida celebrar libre e pacificamente ao mesmo tempo que rexeitamos calquera tipo de medidas ou decisións que obstaculicen a realización do mesmo, xa que isto atropelaría os valores que deben presidir unha sociedade democrática". 'Adeu, amics per sempre, Espanya' naceu impulsado por membros e amigos do Foro Cívico Galego de Barcelona (FGCB). No manifesto sinálase que "dende a capital do Principado onde residimos como cidadáns galego-cataláns, conscientes de sermos fillos de Galiza, nación que, dende hai 5 séculos, vén sendo negada, subalternizada e espoliada polo estado do Reino de España, instamos tamén cun convite cordial aos nosos compatriotas galegos, quer en Catalunya, quer na Terra, quer na Diáspora, a apoiarmos ben co voto, ben coa adhesión democrática, o Referendo de Autodeterminación de Catalunya do 1 de outubro de 2017".
NOS_33774
Renato Núñez e Manuel Dacal comparecerán nos xulgados de Fontiñas (Compostela) esta quinta feira.
Após prestaren declaración o pasado o 8 de outubro, esta quinta feira (22 de xaneiro) iníciase o xuízo oral contra os dous militantes nacionalistas que foron prendidos pola policía española na toma de posesión de Agustín Hernández como alcalde de Compostela. Os feitos aconteceron o 8 de agosto de 2014 coincidindo coa toma de posesión de Agustín Hernández como novo alcalde de Compostela. Perante o Pazo de Raxoi concentrábanse máis dun cento de persoas para amosar o seu rexeitamento á investidura do que é o terceiro rexedor na capital galega nesta lexislatura. Mais tamén, dunha maioría de edís non eleit@s. Un forte cordón policial impedía @s manifestantes achegárense á Casa do Concello e mesmo camiñar pola Praza do Obradoiro, algo que si podían facer @s turistas e demais veciñanza compostelá. Núñez (CIG) e Dacal (Fruga) están acusados pola policía dun suposto delito de "resistencia e grave desobediencia á autoridade" Pouco despois de dar comezo a sesión algúns dos participantes decidiron marchar, momento en que @s axentes da policía española os placaron e os arrastraron até os soportais de Raxoi para proceder á súa detención. Manuel Dacal --coordenador da Fruga-- e Renato Núñez --secretario de organización da CIG-Compostela e activista polos dereitos civis-- enfrontan agora unha acusación por un suposto delito de "resistencia e grave desobediencia á autoridade" por teren sobrepasado as barandas que impedían o seu tránsito pola praza e, segundo o atestado policial, por desouvir as chamadas de atención d@s axentes. Con motivo da vista oral o Bloque convoca unha concentración solidaria ás 11:15h perante os xulgados de Fontiñas (Compostela).
PRAZA_18618
Na lista de Villares intégranse os deputados Pancho Casal, Paula Vázquez Verao e Davide Rodríguez, tamén a eurodeputada Lídia Senra. Na candidatura 'crítica', que encabeza Bruzos, figuran varios nomes vinculados a Anova, Podemos Galicia e mareas municipais como Marea Atlántica e Compostela Aberta
O taboleiro das eleccións internas de En Marea terá dúas pezas. Nas semanas que seguiron ao tenso plenario do pasado 27 de outubro as diferentes correntes internas de En Marea emprenderon conversas e negociacións para as transcendentais votacións que se desenvolverán do 1 ao 3 de decembro e das que sairá o novo Consello das Mareas, máximo órgano reitor da formación. Nesta última semana ficou definitivamente desbotada a posibilidade de que o sector crítico comparecese á votación con dúas candidaturas e finalmente farao con só unha, encabezada polo ex-deputado no Congreso David Bruzos, que confrontará coa lista liderada polo actual voceiro de En Marea e portavoz parlamentario, Luís Villares. Na lista de Villares intégranse os deputados Pancho Casal, Paula Vázquez Verao e Davide Rodríguez, tamén a eurodeputada Lídia Senra Tras o peche do prazo para o rexistro de candidaturas, este venres, a liderada por Villares ten como número dous a unha das actuais vicevoceiras, Ana Seijas, e incorpora a tres membros do grupo parlamentario de En Marea: Pancho Casal -ata hai uns meses membro de Podemos-, Paula Vázquez Verao (Cerna) e Davide Rodríguez (Anova). Ségueos no número 6 a profesora e presidenta de Nova Escola Galega Mariló Candedo, que xa fora integrante das listas de En Marea ás eleccións galegas. Luís Villares e membros da súa candidatura / Coidando a casa O sétimo posto da lista de Villares, que este sábado se presentou formalmente en Santiago baixo o lema Coidando a casa, é para o médico Ramón Veras -tamén activo membro de SOS Sanidade Pública-. A continuación sitúanse Elena Cores, Adrián Dios, Peque González, Xabier P. Dávila, Mónica Díaz e Víctor Álvarez. Neste primeiro treito figura tamén Xoán Hermida (Marea Pontevedra), a eurodeputada Lídia Senra e o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada. Na candidatura 'crítica', que encabeza Bruzos, figuran varios nomes vinculados a Anova, Podemos Galicia e mareas municipais como Marea Atlántica e Compostela Aberta Na candidatura que encabezará David Bruzos, deputado de En Marea no Congreso por Ourense nas eleccións xerais de 2015, figuran nos primeiros postos varios nomes vinculados á actual dirección de Anova e mais a Podemos Galicia, así como a mareas municipais das cidades como Marea Atlántica, Compostela Aberta ou Ferrol en Común. A número dous desta candidatura é Oriana Méndez (Anova, Marea de Vigo) e o tres é Xan Xove (Marea Atlántica). A continuación sitúase Saínza Ruíz, membro de EU e concelleira do goberno ferrolán con Ferrol en Común. David Bruzos, nun mitin previo ás eleccións xerais de 2015 / EM O deputados de En Marea no Parlamento galego Marcos Cal e Julia Torregrosa (ambos de Podemos), son tamén integrantes dunha lista na que tamén figuran nomes como os de Gladys Afonso (Anova), André Seoane (Compostela Aberta), Borja San Ramón (Podemos), Ledicia Piñeiro (Ourense en Común) ou Sara Outeiral (Nós Pobra, Podemos). O propio Bruzos foi tamén un dos impulsores de Ourense en Común e foi deputado ata a constitución do Congreso emanado das eleccións xerais de 2016, cando En Marea perdeu o escano ourensán. O censo da votación supera agora as 4.300 persoas, mentres que nas vésperas do plenario eran algo menos de 2.800 Estas eleccións internas de En Marea, das que emanará o Consello das Mareas que á súa vez elixirá a nova coordinadora, prodúcense nun contexto de notable incremento do censo interno con relación a procesos anteriores. Así, despois de abertas chamadas á participación por parte de sectores críticos que evitaran sumarse a anteriores eleccións internas -caso de Podemos Galicia-, o número de persoas inscritas eran ao remate do venres un total de 4.396, mentres que nas vésperas do plenario do pasado outubro eran algo menos de 2.800.
NOS_23657
Coa arte como eixo temático, o XXIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra recupera a presencialidade e presenta unha edición na que se homenaxeará a escritora Marica Campo e o ilustrador Xosé Cobas, e no que Euskadi será o país invitado. O Salón inaugura, ademais, a primeira residencia artística Nexus.
Aldaolado, o dúo formado por María Lado e Lucía Aldao, inaugura o vindeiro 11 de marzo o XXIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que decorrerá, principalmente, no Pazo da Cultura. Unha edición que recupera a presencialidade despois de dúas edicións nas que houbo que tirar dos encontros virtuais, en 2020, ou resolver a cita cunha importante redución na capacidade de público, en 2021. Máis de trescentas actividades encherán a cidade de propostas para animar á lectura entre os días 11 e 27 de marzo. A edición deste ano orbitará arredor da arte e a creatividade, polo que unha parte importante da programación estará constituída por obradoiros creativos de ilustración, de fotografía, de encadernación ou de banda deseñada; roteiros pola cidade que ensinan os murais artísticos das rúas pontevedresas, as obras da Illa das Esculturas ou a obra de Castelao no Museo de Pontevedra; ou faladoiros sobre creación artística. A figura e a obra de Maruxa Mallo obterá tamén unha atención especial cun obradoiro de máscaras baseado nas súas pinturas e unha sesión de contacontos de Polo Correo do Vento e mais Antón Ke na que percorrerán dunha maneira lúdica e creativa a vida e obra da artista. A presenza das artes complétase co cartel realizado para esta edición pola viguesa Bea Gregores, gañadora de diversos premios no mundo da ilustración e do cómic, que foi a escollida entre as 39 propostas recibidas como resposta á convocatoria aberta. Os contacontos, como é habitual, terán unha presenza destacada: Soledad Felloza, Raquel Queizás, Charo Pita, Trinketrinke Teatro, Ana Apika, Os Monicreques de Kukas, Pavís Pavós, ou Bea Campos, entre outros, contarán as súas historias ao longo dos 17 días que durará o evento, cun Roteiro de Historias especial, polo interior do Pazo da Cultura, o día 20, no que se celebra o Día Mundial da Narración Oral. O teatro terá o seu momento de honra no Salón coa celebración do 10º aniversario do espectáculo Fíos, de Baobab Teatro, un fito na escena para a cativada do país, mais tamén estarán presentes outras compañías como Marcel Gros, DaTe Danza, Uxía Lambona e a Banda Molona, ou Migallas Teatro. Julia Lago, Premio Castelao de Banda Deseñada, é a artista seleccionada para a primeira edición das Residencias Artísticas Nexo do Salón. Homenaxes a Marica Campo e Xosé Cobas Nesta edición decidiuse escoller Euskal Herria como país convidado, coa finalidade de mostrar a súa cultura a través de artistas como a escritora Concha Pasamar, a contacontos Ana Apika e mesmo algún dantzari de bailes tradicionais vascos. Seguindo cos invitados de honra, o Salón renderá homenaxe a Marica Campo, no ámbito da escrita, e a Xosé Cobas no da ilustración. O sábado 26 será o día en que ambos recibirán o recoñecemento ás súas traxectorias. Ademais, Julia Lago, Premio Castelao de Banda Deseñada, é a artista seleccionada para a primeira edición das Residencias Artísticas Nexo do Salón. A autora disporá de 15 días de residencia e contará co apoio do alumnado do bacharelato de artes da cidade para elaborar nos arredores do Pazo da Cultura unha obra "que xirará arredor da creatividade xuvenil e dos valores que quere transmitir O Salón 2022". O Congreso estudará as posibilidades de diálogo entre as diversas disciplinas artísticas, centrándose fundamentalmente na relación que mantén a literatura infantil e xuvenil co repertorio da tradición oral e co ámbito da ilustración IV Congreso Internacional de Mediación Lectora De forma paralela ao Salón, nas tardes dos días 10, 17 e 24, desenvolverase o IV Congreso Internacional de Mediación Lectora no que o protagonismo será para a reflexión, o debate e os diálogos entre creadores e creadoras. Esta edición do Congreso, que terá lugar baixo o título de Con moita arte!, buscará -malia que a lectura literaria segue a ser o seu epicentro- estabelecer conexións con outras manifestacións creativas, co propósito de incidir na idea de que as diferentes mostras artísticas e culturais configuran un mosaico asentado en múltiples pezas diversas, mais ao mesmo tempo complementarias. O Congreso estudará as posibilidades de diálogo entre as diversas disciplinas artísticas, centrándose fundamentalmente na relación que mantén a literatura infantil e xuvenil co repertorio da tradición oral e co ámbito da ilustración, ou nas súas potencialidades para á cativada na lectura sen esquecer a educación estética. Igualmente, as sesión abordarán o tema da convivencia entre o libro tradicional e os soportes derivados das novas tecnoloxías. Xosé Cobas será o encargado de abrir a primeira sesión para ofrecer unha memoria da súa traxectoria creativa. A el seguiranlle as intervencións de especialistas como Paula Carballeira, Txabi Arnal, Concha Pasamar, María Xesús Fernández, Laura Romero ou Paola Guimeráns, entre outros.
NOS_35871
O xornalista Martxelo Otamendi (Tolosa, 1957) é o director do diario vasco Berria. Estivo á fronte de Egunkaria até que a Audiencia Nacional española decretou o feche do maior estandarte da cultura euskaldun en 2003. Conversamos con el sobre as orixes e o funcionamento de Berria e sobre xornalismo.
Berria nace en 2003, marcado polo feche de Egunkaria. Como son eses inicios? En 2003, en febreiro (veñen de facerse 15 anos), a Audiencia Nacional española ordena o feche de Egunkaria, que era o único diario nacional en euskera e que nacera en 1990 por subscrición popular e co apoio de moitísima xente. De 1990 a 2003 funciona con total normalidade — eu son director desde 1993. Fechan o diario cunha acusación moi etérea sobre unha suposta implicación de ETA no diario; arrestan os directivos; acúsannos de delitos gravísimos como o de pertenza a grupo armado en grao de dirección; aplícannos os artigos especiais do Código Penal; estamos cinco días incomunicados; dos dez detidos, seis somos torturados (no meu caso, conseguimos que o Tribunal de Estrasburgo condenase España por non investigar con garantías as torturas); algúns saen do cárcere con 30.000 euros de fianza e Iñaki Uria, que era conselleiro delegado, quedou ano e medio na prisión. De alí aos sete anos, fomos absoltos porque non había absolutamente ningunha proba e a acusación non tiña sentido ningún. En cuestións vascas, é a sentenza máis dura que un tribunal da Audiencia Nacional dita sobre un procedemento instrutor da propia Audiencia Nacional. Dise que o feche do diario non ten ningunha cobertura constitucional, que a liña é legal e que non se comete ningún delito nas informacións do diario. Egunkaria tiña unhas 70 páxinas ao día, 44.000 lectoras e lectores e unha calidade xornalística equiparábel á doutros rotativos de maior tirada. Que obxectivos houbo detrás do feche dun dos emblemas do xornalismo vasco? Queríase criminalizar o mundo do euskera, sobre todo o apoio social ao euskera e, por outro lado, queríase enviar un aviso a navegantes porque daquela xa se deran os primeiros pasos do «Plan Ibarretxe» e termos como o dereito á autodeterminación estaban instalados no dicionario político vasco. Decidiron dar un susto para dicir, «paren vostedes, que estamos dispostos ao que sexa para que non sigan por esa vía» e atacaron unha das estruturas máis mimadas da cultura euskaldun, que nacera cun forte apoio popular en 1990 e que ninguén esperaba que fose obxecto de tal ataque. Querían meterlle medo á xente e saíulles mal. Precisamente, o feche de Egunkaria provocou unha resposta social sen precedentes en Euskal Herria. Aínda que en 1998 xa fecharan Egin, o índice de protesta da xente e de indignación foi maior no caso de Egunkaria. Dous días despois do feche de Egunkaria tivo lugar a maior manifestación da historia de Donostia, que ficou colapsada. O mesmo día que fechan Egunkaria créase un diario ponte, entre o 21 de febreiro de 2003 e o 20 de xuño de 2003. En xuño de 2003 nace Berria após unha campaña de achegas populares que nos deron 4.800.000 euros e 24.000 accionistas. É unha cantidade que só se explica pola indignación da xente, se non, era imposíbel que nos desen tanto diñeiro. Desta maneira, Berria ocupou o oco de Egunkaria (que nacera con pouco menos de un millón de euros), pero con máis xornalistas, máis seccións e unha campaña financeira moito máis forte. Arrancamos con moita forza. Despois colleunos a crise de 2007, aguantamos como puidemos e estes dous últimos anos levámolo bastante mellor xa, sen perdas. Como acontece co galego, os produtos en euskera teñen un mercado reducido, co cal, sempre digo que nós sempre estivemos en crise porque as vendas son limitadas. Non sae as segundas feiras porque non traballamos os domingos e as vendas das segundas feiras non compensarían o aumento de gasto polo persoal que faría falta para publicar sete días á semana Berria sae seis días á semana, de terza a domingo. Como se percibiu que non saíse os sete días? Non sae as segundas feiras porque non traballamos os domingos e as vendas das segundas feiras non compensarían o aumento de gasto polo persoal que faría falta para publicar sete días á semana. Con seis días arranxamos ben e todas e todos os xornalistas libran o domingo e dous sábados de cada tres. Con ese esquema rotativo vainos ben. Na época en que nós saímos, había diarios franceses que o facían. É algo moi típico na prensa francesa. O lectorado afíxose a iso, porque a xente sabe que os elefantes non voan e que os produtos en linguas minorizadas teñen un mercado limitado e unha capacidade financeira limitada. A xente sabe que en caso de saírmos os sete días as contas serían negativas e mesmo podería poñerse en perigo a existencia do diario. Como conviven o diario dixital e o diario en papel en Berria? Temos unha redacción multimedia. Aparte do equipo técnico, para a web temos tres xornalistas que se encargan de coordinar a edición continua do diario e tamén temos unha porcentaxe alta da redacción que fai un resumo, duns 500 caracteres, do acto ou entrevista que foi cubrir e que despois desenvolverá no papel. No papel está o noso negocio: as subscricións (un 75% das vendas son subscricións a domicilio) están no papel, ao igual que a venda en quiosques (que é máis residual de comparármonos con outros medios) e a publicidade. Porén, somos moi vangardistas na web e non a descoidamos por termos un coidado especial no papel. Aínda que o dixital é gratuíto (poñermos unha parede na web sería prexudicarmos a expansión e o uso do euskera), estes últimos anos lanzamos o concepto de Berria lagun (amigo de Berria), que está orientado a aquela xente que non é subscritora. Non pedimos máis cartos a quen xa é subscritor do diario e que xa está pagando ao redor de 400 euros ao ano, senón que incidimos na xente que utiliza a web na tablet, no computador ou no smartphone. Temos agora 7.000 persoas que todos os meses nos pagan 10 euros para que sigamos traballando no periódico. Nun orzamento de case 7 millóns, esa achega representa o 10%. Por outro lado, as axudas públicas, pola promoción do euskera, representan o 16% do noso orzamento. Hai futuro se seducimos a xente e se lle explicamos que unha parte importante da información e da credibilidade dos medios segue estando no papel Unha das fortalezas de Berria son as edicións locais. Berria non ten edicións locais en si mesmas, a empresa que edita Berria participa con socios locais en cinco diarios locais, dos cales tres son os máis lidos da zona, mesmo se len máis que os grandes diarios provinciais. Falamos de diarios locais independentes que teñen o seu mercado e venden moito. Eu vivo na zona de Tolosa e aí publícase un diario local, Ataria, que ten ao redor de 2.000 subscritores e é o diario que máis entra nesa zona. Se es subscritor de Berria (nos quiosques non), recibes dentro do diario esa edición local de oito páxinas. Son sinerxias entre o noso diario, que é un 100% noso, e eses diarios locais, cos que temos moi boa relación e dos que participamos no Consello de Administración cunha representación aproximada do 30%, mais son independentes. Desta maneira nós non traballamos edición local, porque para un diario nacional unha edición local é un suicidio. Que tipo de xornalismo defende Berria? Facemos xornalismo nacional vasco, é dicir, para nós os referentes son a nación vasca e a realidade vasca, mais somos moi abertos ao mundo. Moitos días a noticia principal é O Iraq, O Irán, o que acontece co pobo curdo… E enviamos delegados a Córsega, a Irlanda do Norte, a Colombia, aos Xogos Olímpicos… os xornalistas andan moito por aí. Nós facemos información vasca e información mundial, co cal, a información española ten que competir coa chinesa, coa polaca ou coa francesa. Temos unha sensibilidade especial cara a Catalunya, Galiza e As Canarias e tamén un coidado especial con Bretaña, Escocia ou Gales, coas nacións sen Estado europeas. Que lles di a quen a día de hoxe afirman que é insustentábel manter o papel? Hai futuro se seducimos a xente e se lle explicamos que unha parte importante da información e da credibilidade dos medios segue estando no papel. De todos modos, a oferta, en 2018, non pode estar só no papel, senón tamén en internet, sobre todo pola xente nova, pois aquí nin o estudantado de Xornalismo compra os xornais en papel. Eu creo que se á xente se lle garante unha boa versión en papel e unha boa e rápida versión en internet, entenderase, porque a credibilidade das informacións segue estando, sobre todo, no papel. De feito, as revistas de prensa seguen a facerse cos diarios en papel. Por outro lado, sobre todo no caso das linguas minorizadas, como o euskera e o galego, é importante que mentres sigan existindo diarios en papel en castelán —e no noso caso en castelán e francés— haxa diarios en euskera e en galego. Iso dálle seriedade, normalidade e credibilidade á lingua. A experiencia de Egin, de Gara ou de Deia dinos que as informacións importantes van en castelán Sobre todo se é integramente en euskera, como no caso de Berria. Pois aí tamén sae Gara, que usa euskera pero nunha porcentaxe moi reducida. Nós somos 100% en euskera, en papel e na web, porque a información bilingüe é un fracaso. O castelán sempre gaña ao euskera. A experiencia de Egin, de Gara ou de Deia dinos que as informacións importantes van en castelán. Ao final, a entrevista importante sempre vai en castelán. Cando ti pos á par euskera e castelán nunha publicación, gaña sempre o castelán e iso xa o sabiamos cando en 1990 naceu Egunkaria. Con que dificultades se atopan en Berria? A principal é o escaso número de vascofalantes. Somos 3 millóns de habitantes, contando a parte norte e sur, España e Francia, e o 30% din saber euskera. Fainos falta unha masa de lectores acreditados para ler en euskera e que as novas xeracións que se incorporan ao euskera se incorporen tamén ao consumo do euskera. Agora o sistema educativo vasco conseguiu que as crianzas saiban euskera aínda que procedan de familias africanas, árabes, españolas Agora o sistema educativo vasco conseguiu que as crianzas saiban euskera aínda que procedan de familias africanas, árabes, españolas… onde eu vivo, ti matriculas unha nena con tres anos e non hai opción de elixir, ti matricúlala en inmersión en vasco. Aquí hai tres liñas lingüísticas: temos a liña A (todo en castelán agás o euskera); a B (un sistema mixto de ciencias en castelán e letras en euskera, que se reforza como lingua habitual no ambiente escolar) e o D [o C non existe] (é o contrario ao A, todo en euskera, agás o castelán). O modelo A e o B nas novas matrículas en Gipuzkoa xa non se ofertan, e en partes de Nafarroa e de Bizkaia tampouco. Aumenta de maneira rápida o coñecemento íntegro do euskera, mais non está aumentando na mesma proporción o consumo de produtos en euskera. Aí está o problema. Que retos se marca Berria para o futuro? Seguir adaptándonos aos novos tempos, ter unha capacidade máis áxil á hora de adaptarnos aos cambios do mercado, seguir facendo un medio en euskera, que seduza a lectora e o lector, e traballar en conxunto para que aumente máis o consumo de produtos en euskera. Como se atopa o panorama mediático vasco? Hai unha realidade bastante dura. Os maiores datos de audiencia de Telecinco están no País Vasco, algo que chama a atención. A televisión pública está bastante frouxa de audiencia. En canto aos xornais de mentalidade local e española, Guipuzkoa domínaa El Diario Vasco (non hai diario en Europa que teña un índice de penetración no seu mercado como El Diario Vasco); Nafarroa, o Diario de Navarra e Bizkaia, El Correo. Tocounos pelexar cos que maior índice de vendas teñen no seu mercado. [Este artigo foi publicado no monográfico especial sobre medios de comunicación editado por Sermos Galiza S.A. con motivo do 17 de maio baixo o título "A necesidade de O Diario Galego"]
NOS_55546
Pontevedra acolleu o inicio do 'Correlingua', a carreira a prol do idioma que percorrerá até o 16 de maio unha ducia de cidades e vilas galegas. Compromiso, deporte, diversión e convivio para garantir presente e futuro para o galego.
Máis unha edición do 'Correlingua' en marcha e xa van 14! Máis de 1.200 escolares de Infantil, Primaria e Secundaria da comarca de Pontevedra deron esta segunda feira un paso adiante polo galego. 'Galego, o paso adiante' é precisamente o lema deste ano dunha carreira que xa ten un oco nos centros de ensino do país como cita obrigada para reivindicar e defender o idioma. A cidade do Lérez foi a primeira etapa. Un arranque poderoso no que non faltou a animación (cun dragón cuspe-auga incluída) e a actuación de Superoito, o gañador do concurso Cantalingua. Os centos de escolares que se sumaron ao 'Correlingua' poideron gozar tamén da presenza da actriz Isabel Risco. Rúas, calexas e prazas da zona vella pontevedresa enchéronse de nen@s e moz@s a desfilar e correr en defensa do galego. Pancartas, faixas, camisolas... todo valía para inscribir frases e desexos sobre o idioma propio de Galiza. De centros de Pontevedra e de Poio, mais tamén de Cambados, entre outros concellos, acudiron ose as escolares para tomar parte nesta iniciativa. Inzar o país Cumprida a primeira etapa en Pontevedra, o Correlingua pasará por Compostela, Lugo, Ferrol, Monforte, Vigo, Tui-Baixo Miño, A Estrada, O Morrazo, Ourense, A Coruña e Foz. O Correlingua iníciase no primeiro trimestre do curso coa publicación do lema e as inscricións nos diferentes concursos. O alumnado elabora as súas propostas para concurso do manifesto, de banda deseñada, de video, e mesmo do Cantalingua, no segundo trimestre. A participación nestes certames permítelle ao alumnado reflexionar sobre a situación do noso idioma e crear os seus propios argumentos para defender o seu uso. Finalmente, no terceiro trimestre e no mes de maio, celébranse as carreiras pola lingua que percorren todo o país. O Correlingua é unha iniciativa impulsada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense xunto coa Deputación de Lugo.
NOS_25434
Carles Puigdemont anuncia data e pregunta para o referendo catalán.
O referendo sobre a independencia de Catalunya terá lugar o 1 de outubro. Ese domingo os cataláns que acudan ás urnas deberán responder a unha única pregunta: "Quere que Catalunya sexa un estado independente en forma de república?". A pregunta formularase en tres linguas: catalán, castelán e aranés, e a resposta será si ou non. Así o vén de anunciar o presidente da Generalitat, Carles Puigdemont, acompañado do vice-presidente, Oriol Junqueras, nunha comparecencia na que estiveron arroupados por deputados de JxS e da CUP. "A resposta que dean os nosos cidadáns será un mandato que este goberno se compromete a aplicar. Toca aos cataláns decidir o seu futuro: está nas súas mans e nas de todos nós facelo posíbel, demostrar que a democracia nos une por riba das lexítimas discrepancias", afirmou o presidente. De por parte, Oriol Junqueras, criticou a actitude do goberno español, do que dixo que "violenta os dereitos democráticos fundamentais e exerce antidemocraticamente as súas funcións". Entre as primeiras resaccións após se coñecer o anuncio estivo a do presidente de Estremadura, Fernández Vara, que falou de "disparate", e a de Rafael Hernando, portavoz do PP no Congreso, que pediu a Puigdemont que "disolva o parlamento e convoque eleccións". A vicepresidenta española, Soraya Sáenz de Santamaría, advertía a pasada cuarta feira que "este referendo non se vai facer"
PRAZA_9166
O BNG trasladará á Comisión de Medio Ambiente novos datos sobre a contaminación nas rías de Vigo e do Burgo tras a reapertura do expediente na Eurocámara. Os colectivos en defensa desas áreas cualifican de "insulto" que eurodeputados galegos dubidasen dos seus datos sobre a polución
As institucións comunitarias e a presión da Eurocámara volven erguerse como as mellores opcións para conseguir o saneamento real das rías galegas. Despois de que o pasado luns a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo reabrise o expediente de 2013 pola falta de datos "fiables" da Comisión e do Estado sobre a súa aplicación tras as denuncias dos colectivos galegos en Bruxelas, o camiño volve apuntar a UE.Miranda anuncia que tramitará a achega ao comisario de Medio Ambiente de informes sobre os prazos do dragado da ría do Burgo ou verteduras á ría de VIgo, entre outras eivas xa advertidas en 2013Ana Miranda, eurodeputada do BNG e impulsora das demandas sobre as rías, anunciou este martes na Eurocámara que solicitará xa unha entrevista co comisario de Medio Ambiente, Karmenu Vella, para que os peticionarios galegos -Plataforma pola Defensa da Ría de Vigo e a confraría de pescadores da Coruña- acheguen máis e novos datos sobre as insuficientes medidas levadas a cabo polo Estado e a Xunta. Serán informes que advertirán da insuficiencia de fondos e prazos asumibles para o dragado da Ría do Burgo, dos problemas de separación de pluviais e fecais ou de vertidos na de Vigo e, en definitiva, das eivas que as medidas contra a contaminación das zonas que se esixían no informe de 2013 e que non foron aplicadas."Será todo o vinculante que eles queiran", advertiu Miranda sobre o informe que se presentará, e puxo o exemplo da Comisión de Transportes e a súa implicación no caso do Alvia para explicar a relevancia de achegar as denuncias aos órganos de goberno da UE. "Preferimos rías saneadas e limpas a multas", engadiu.A Comisión de Peticións reprochou o luns á Comisión Europea e ao Estado español a inexistencia de datos "fiables" e mesmo de avances serios na problemática das rías e decidiu reabrir o expediente pechado. Neste martes, na rolda de prensa ofrecida en Bruxelas, Miranda reiterou o éxito desta decisión malia os intentos de PP e PSOE por pechalo ao considerar suficientes os avances pese a recoñecer a necesidade de melloras.Os voceiros da confraría coruñesa e da plataforma viguesa ven "un insulto" que "eurodeputados galegos neguen as denuncias" que son "evidentes con só botar unha ollada"Ante esa actitude, tanto o voceiro da plataforma viguesa como o da confraría coruñesa criticaron o que consideraron un "insulto": que "eurodeputados galegos neguen as denuncias e datos" achegados. Así se expresou Serxio Regueira, do colectivo da Ría de Vigo, que se amosou indignado coas palabras do socialista José Blanco ou do popular Millán Mon o pasado luns e advertiu de que eles tamén teñen "técnicos" que acreditan a grave situación.No mesmo sentido se expresou Felipe Canosa, presidente da confraría coruñesa, que insistiu na dispoñibilidade dos afectados en "amosarlles" aos eurodeputados a verdadeira situación das rías, ao igual que dixo Regueira. "De día, á noite ou cando queiran", lembraron.Son, segundo din, problemas "evidentes só con botar unha ollada", malia as melloras aplicadas nos últimos cinco anos e que seguen a ser escasas. A Ría do Burgo perdeu preto de 1.800 mariscadores desde os anos 90 e na de Vigo, pese ao importante investimento na nova depuradora, segue a haber "verteduras nos mesmos lugares de hai dez anos", así como problemas coa depuración.Todos consideran que cinco anos eran máis que suficientes para conseguir os obxectivos marcados pola Eurocámara. Tamén o BNG. Representantes locais dos concellos afectados anunciaron iniciativas para manter a batalla polo saneamento das rías, desde Avia Veira e Francisco Jorquera, do Bloque da Coruña, até Tono Chouciño, concelleiro en Culleredo, e Xabier Pérez Igrexas, candidato en Vigo da formación nacionalista, que presentará iniciativas en municipios e no Parlamento galego para apremar a Xunta e Estado a facer efectivo de vez ese saneamento.A delegación galega amosou a súa esperanza de que, desta volta si, a presión comunitaria logre avances no saneamento das ríasVeira, ademais, destacou que "só cando os peticionarios e o BNG premen o botón da UE o Estado se move", mentres que Chouciño avisou da importancia de non que non fose pechado o expediente para "poder saber como se van cumprir os compromisos de 2013".Na rolda de prensa, uns e outros amosaron a esperanza de que, desta vez si, a presión da Eurocámara e mesmo da propia Comisión, que terá que recabar tamén do Estado os avances reais contra a contaminación, consiga o saneamento integral das rías galegas, xa non nestes dous casos, senón tamén noutros como os da de Viveiro ou de Cee, como lembrou Miranda. A eurodeputada galega, ademais, lamentou a ausencia da TVG na comparecencia celebrada este martes en Bruxelas para informar dun tema que considera de elevada importancia para o país. "Hoxe non é venres, pero… Defende a Galega", rematou.
PRAZA_6986
Xoán Bascuas foi reelixido secretario xeral de Compromiso por Galicia no I Congreso Nacional da formación, celebrado este domingo, no que tamén se escolleron as 30 persoas que compoñen o seu Consello Político.
Compromiso por Galicia (CxG) celebrou este domingo en Padrón o seu I Congreso Nacional, que serviu para reelixir a Xoán Bascuas como secretario xeral da formación e tamén para escoller a nova Comisión Executiva Nacional e o novo Consello Político Nacional, composto por 30 persoas. No encontro participaron ao redor de 400 afiliados e afiliadas, que tamén aprobaron estatutos e un documento político, coa vista posta nas citas electorais máis inmediatas, sobre todo as eleccións municipais do vindeiro mes de maio. Aprobouse tamén o informe de xestión, cun 93,9% de votos a favor e 6,1% de abstencións, sen votos en contra. Ao acto de clausura acudiron case 20 asociacións e delegacións representativas do tecido social galego, ademais de representantes do BNG, Anova e Cerna. A cambio, Compromiso "participará na promoción dunha organización municipal distinta", sinala Bascuas Acordouse, logo dun intenso debate, non participar nas Deputacións Provinciais por consideralas "inútiles", "unha cova de caciques" e porque significan "unha forma vetusta de organizar o Estado" e, ademais, "foron utilizadas polo PP para recentralizar competencias", destaca Xoán Bascuas, que di que esta decisión se basea en que "somos consecuentes, non participamos en algo no que non estamos de acordo". Os cargos e representantes de CxG tampouco participarán na Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) nin na Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP). A cambio, Compromiso "participará na promoción dunha organización municipal distinta", sinala Bascuas. De igual xeito, no formato de proposta de resolución, acordouse "facer un chamamento aos galeguistas e nacionalistas para conformar unha candidatura unitaria nas vindeiras eleccións xerais para que Galicia e o galeguismo teñan voz nunha máis que previsible reformulación territorial o Estado", unha necesidade cualificada como "de vital importancia". "O bipartidismo está en crise e pode darse o caso de que nas eleccións do ano que vén o PP e os seus aliados non obteñan 140 deputados, que representan os dous quintos da cámara e, polo tanto, a minoría de bloqueo que podería impedir unha reforma constitucional", explica Bascuas. "Que ocorre se chegamos a ese escenario e non hai unha voz nitidamente comprometida coa defensa do país? Pois que Galicia estará fóra do debate da reforma constitucional. Quen estará aí para facer valer os dereitos nacionais de Galicia?", engade. "É unha reflexión que temos que facer", conclúe. No discurso de clausura Xoán Bascuas chamou a "propor transparencia, igualdade, Estado de Benestar, autogoberno e aire fresco á política" ante a situación de crise, desemprego e recortes e en oposición á "crispación e ao discurso incendiario". Bascuas apostou por "centrarse nas eleccións municipais", uns comicios "a pé de obra, con contacto directo, onde non pesan tanto o soporte mediático como as propostas que se fagan en positivo para a mellora da calidade de vida da nosa veciñanza". Bascuas apostou por "centrarse nas eleccións municipais", uns comicios "con contacto directo, onde non pesan tanto o soporte mediático como as propostas que se fagan en positivo para a mellora da calidade de vida da nosa veciñanza" En canto á presentación de candidaturas para as eleccións municipais, serán as propias agrupacións locais de CxG as que decidan se se presentan de forma independente ou se nalgúns casos optan por integrarse nalgunha plataforma, candidatura cidadá ou outra fórmula. Bascuas destacou os procesos de primarias iniciados por Compromiso por Galicia "con candidatos non do partido, senón do conxunto da cidadanía, xa escollidos en Ourense, Santiago, Vigo, Pontevedra, A Baña, Samos e Taboadela". "Estas non son unhas eleccións máis, son o verdadeiro punto de partida para Compromiso" "Compromiso sempre camiñou poñendo un pé diante do outro, con paso firme. O primeiro paso para nós é poder ter un artellamento territorial real, e sobre ese artellamento construír país" -explica Bascuas- "A consolidación dun partido político depende da súa implantación territorial, que se consegue coa constitución de agrupacións nas vilas e concellos e tamén acadando representación institucional neles". "Estas non son unhas eleccións máis, son o verdadeiro punto de partida para Compromiso", conclúe.
NOS_11103
Por outra banda, o CD Lugo anunciou na sexta feira, pouco antes da conferencia de prensa do adestrador, Juanfran García, a incorporación de Xavi Torres á disciplina albivermella.
O Celta de Vigo recibe este sábado, 19 de setembro, en Balaídos ás 21 horas o Valencia CF. O técnico celeste, Óscar García Junyent, incluíu a Jeison Murillo na convocatoria de 24 xogadores da que caeu Jorge Sáenz. Sergio Álvarez e Rubén Branco son baixas por lesión, e non se agarda que ningún dos dous porteiros poida estar listo até o mes de novembro. Ademais de Jorge Sáenz tampouco entra na convocatoria David Costas. Óscar García Junyent non conta con estes dous defensas centrais que están á procura da súa saída do Celta. "Ambiente familiar" A respecto do seu regreso ao equipo vigués, Murillo pronunciouse en declaracións á canle de TV do club, Celta Media. O xogador colombiano dixo estar "feliz". "Levo agardando este momento varios meses. Tardouse un pouco, mais finalmente estou aquí en Vigo e estou moi contento", sinalou. As negociacións coa Sampdoria estendéronse durante dous meses. O defensa central manifestou que estaba onde máis cómodo estivera. "Atopeime cun ambiente familiar e un técnico que me deu confianza", declarou Murillo chegou no mercado de inverno como petición expresa de Junyent. Desde o minuto un do seu debut en San Mamés xa se fixo o amo da defensa. A súa xerarquía e carácter positivo son fundamentais para un Celta que esta tempada non quere volver sufrir como na anterior. "Hai equipo para facer cousas boas e cumprir os obxectivos que se marquen", comentou o xogador, que nesta campaña vestirá a camiseta co dorsal número 24, no canto do 21 que luciu durante a anterior. Xavi Torres, ao Lugo Por outra banda, o CD Lugo anunciou na sexta feira, pouco antes da conferencia de prensa do adestrador, Juanfran García, a incorporación de Xavi Torres á disciplina albivermella. Confirmouse así de forma oficial a nova que levaba días a circular no entorno do clube lucense. A de Torres é unha das dúas incorporacións que o Lugo tiña previsto facer para a zona do centro do campo. Agora, agárdase pola segunda, a de El Hacen, que chegaría de novo como xogador cedido desde o Valladolid, o seu clube. Xavi Torres, de 33 anos, vén libre ao Lugo, con quen asinou un contrato por unha tempada de duración. Na anterior campaña, disputou a competición de Kuwait. Durante a súa extensa carreira deportiva, o valenciano militou en equipos como o FC Barcelona, o Villarreal, o Málaga, o Levante, o Getafe, o Betis, o Sporting de Gijón ou o Elche.
PRAZA_17114
ENTREVISTA | "O xuíz Llarena non pode ser xuíz e parte e pretender á vez xulgar con imparcialidade", di o líder de ERC, que leva 197 días na cadea. Insiste en pedir diálogo e asegura que ter un Govern é un primeiro paso, pero "só ún dos moitos que se han de dar".
Oriol Junqueras (Barcelona, 1969) leva 197 días no cárcere de Estremera. Desde entón non parou de insistir en que o diálogo é imprescindible para resolver o conflito catalán. Desde eldiario.es fíxoselle chegar este cuestionario hai un mes, antes de que se coñecese que Quim Torra sería o elixido para ser o novo presidente da Generalitat. Ao tratarse dunha entrevista por escrito non existen repreguntas. O líder de ERC e ex-vicepresidente do Govern defende que hai que falar co Executivo central sen condicións previas, nin tan sequera o traslado dos presos a cárceres cataláns. Junqueras evita polemizar con Carles Puigdemont, aínda que insiste en que el sempre asumiu as súas responsabilidades. Vostede insiste en ofrecer diálogo ao Goberno de Mariano Rajoy. Como se pode concretar esta proposta? Falando enténdese a xente, din. Estamos no cárcere e non poñemos como condición para dialogar ningunha premisa, nin tan sequera a nosa liberación, o traslado a cárceres cataláns ou o regreso dos exiliados. Diálogo sen condicións. É unha cuestión de vontade política. Nós témola, o Goberno español non parece tela. Sempre tivemos e teremos vontade de falar e dialogar. "Diálogo sen condicións. Temos vontade de falar e dialogar, pero o Goberno español non parece tela" Esta negociación é posible mentres vostede e outros dirixentes e activistas independentistas sigan na cadea? Si. É posible. Alguén do Goberno central contactou con vostede desde que está no cárcere? Non. Séntese un refén do Estado? Síntome, como os meus compañeiros, un chibo expiatorio da intolerancia e dun Estado que actúa vengativamente. Non só sufrimos unha prisión incondicional, téñennos ben lonxe de casa, que é un castigo adicional para os nosos fillos e familia. Á marxe de atribuírnos uns delitos que nin remotamente cometemos, como xa deixou en evidencia media Europa. "Non só sufrimos unha prisión incondicional, téñennos ben lonxe de casa, que é un castigo adicional para os nosos fillos e familia" O xuíz Pablo Llarena fai política? O que non parece, en ningún caso, é que respecte a presunción de inocencia. Non se pode ser xuíz e parte e pretender á vez xulgar con imparcialidade. Hai meses que ERC pide que se forme xa goberno en Catalunya. De quen é culpa que aínda non o haxa? Finalmente, hai Goberno. Era un paso necesario, aínda que só é un paso dos moitos que se han de dar. "Llarena non respecta a presunción de inocencia; non se pode ser xuíz e parte e pretender á vez xulgar con imparcialidade" Reclamou nalgunha ocasión que se forme goberno por riba dos intereses persoais e esta petición interpretouse como unha mensaxe directa a Carles Puigdemont. É así? Reclamo un Govern porque creo que nos fai máis fortes. Porque responde a un mandato electoral. Porque é obvio que é mellor para o conxunto dos cidadáns e a democracia que haxa un Govern xurdido das urnas que unha Generalitat literalmente ocupada polo PP. Non hai ningunha mensaxe contra ninguén e si unha mensaxe a favor de todos. Como ex-vicepresidente e ex-conselleiro de Economía, pode asegurar que nin un euro público se destinou á celebración do 1-O? Pódoo asegurar, si. De feito, tamén o admite publicamente o ministro de Facenda. "Podo asegurar que non se destinou nin un euro público ao 1-O; tamén o admite publicamente o ministro de Facenda" Da súa actuación nas últimas semanas no Govern quedaron moitos interrogantes que nos gustaría que nos aclarase por entender que pasou. Por que deixou só a Puigdemont cando el quería convocar eleccións? Non comparto o enunciado da pregunta. En todo caso, hai cuestións que agora non é o momento de abordar. Por simple prudencia, por respecto e porque forman parte dun sumario. Calquera cousa neste sentido que eu dixese podería ser utilizada na miña contra ou contra o resto de compañeiros encarcerados. A potestade de convocar eleccións é do president, agora e antes. A miña opinión persoal expreseina alí onde tocaba. Por que despois de comprometer o seu respecto á decisión de Puigdemont de convocar as eleccións, ERC anunciou que sairía do Govern? ERC fixo o seu debate interno. Era un momento difícil e en ningún caso ningún membro do Govern fixo ningunha manifestación neste sentido. "Sempre asumín as miñas responsabilidades e mesmo máis que as miñas e todas as que ninguén quería asumir e me propuxeron" Por que unha vez proclamada a nonnata república catalá non acudiu ao encontro no que participaron todos os conselleiros para decidir que estratexia ían seguir? Sempre asumín as miñas responsabilidades. A miúdo, máis que as miñas responsabilidades. As de Vicepresidencia e as de Economía e de Facenda. E todas as que ninguén quería asumir e que me propuxeron. En todo caso, insisto: hai preguntas que non podo responder cun sumario aberto, por min e polos meus compañeiros. Arrepentiuse dalgunha das decisións que tomou mentres estivo no Govern? Fixemos un gran traballo e defendemos até as últimas consecuencias que os cidadáns tiñan dereito a votar e decidir o futuro político do país, sempre de forma pacífica e democrática. Sempre tentando chegar a acordos. "Se o Goberno español ten unha proposta para Catalunya, que a someta a votación dos cidadáns" Se algún actor internacional propón unha mediación coa condición de deixar fóra a independencia, o Govern ten que aceptar? O único límite é o respecto á democracia. Benvidas todas as apelacións ao diálogo e a mediación. Se o Goberno español ten unha proposta para Catalunya, que a someta a votación dos cidadáns. Somos demócratas e aceptaremos os resultados.
NOS_28418
O conselleiro anunciou 845 novos contratos de reforzo para este curso. Seguen sendo menos efectivos que no ano pasado.
Coas aulas xa iniciadas en Infantil e Primaria e a un día de que comezasen en Secundaria e Formación Profesional, a Consellaría de Educación anunciou este 14 de setembro a contratación de 845 docentes que se repartirán deste modo: 220 reforzarán os grupos burbulla en Infantil e Primaria; 290 sumaranse á ESO, Bacharelato e FP; 225 profesionais serán para desdobres en Secundaria e, finalmente, 110 para a implantación do Plan dixital de centro e a rede de orientación. Así o anunciou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na súa comparecencia no Parlamento galego. Desta maneira, os 845 novos contratos avanzados este 14 de setembro súmanse aos 1.250 profesores que formarán parte do Plan Recupera e que, até o de agora, eran os únicos postos extraordinarios anunciados pola Xunta para o curso 2021-22. Recorte de docentes Así, o número de profesoras e profesores descende respecto ao curso anterior, cando se produciron 2.300 contratacións extraordinarias fronte ás 2.095 actuais. Este recorte de docentes foi contestado desde aos grupos da oposición no Parlamento galego, BNG e PSdeG, que advertiron de que este curso 2021-22 é "aínda de transición" porque a pandemia "segue aí". Durante o debate, o deputado nacionalista Manuel Lourenzo puxo en dúbida as cifras de profesorado contratado pola Xunta para o novo curso e acusou o conselleiro de agochar o recorte en profesorado como demostra a "falta" de concreción sobre "canto persoal docente funcionario definitivo e interino ten en nómina para Primaria e canto para Secundaria". Para Lourenzo, os datos da Consellaría "evidencian" que desde 2009 existe "un recorte de 5% do profesorado" no ensino público mentres "aumentou 5,5%" na privada. "Isto é o cerne do debate e todo o demais, programa Recupera incluído, que supón un recorte de 1.000 profesores en relación ao curso pasado, son malabarismos para ocultalo", reprobou o nacionalista ao titular de Educación. Tamén o socialista Luis Álvarez tachou de "cerimonia da confusión" a actuación da Xunta á hora de comunicar o reforzo de profesorado. Acusouna de "usar o sistema educativo como elemento de contención do gasto público". Como exemplo disto, asegurou que a Xunta "segue sen dedicar á finalidade para a que foron creados" os 92 millóns de euros procedentes dos 204 millóns de fondos extraordinarios que debían ser destinados a reforzar o sistema educativo ante a pandemia e que, segundo Álvarez, a Xunta preferiu destinar a "cambiar cubertas".
QUEPASA_716
O 21 de marzo farase entrega de premios do XIV Certame de Poesía Antón Zapata
Encántanos comprobar como a AxendaCostadaMorte volve encherse paseninñamente. Xa vimos a volta do Galidoc ao Casino, o programa Cultura con Forza de Carballo ou a nova programación infantil de Vimianzo. Hoxe quedamos en Laxe, para coñecer a programación do mes de marzo no noso concello co gallo da conmemoriración do mes no que se fixaron a celebración dos Días mundiais da Poesía e do Teatro. Neste caso, trátase de actuacións que xa foran programadas no 2020 pero que con motivo da pandemia da COVID-19, tiveron que ser aprazadas. Así o sábado 13 haberá cita teatral co "Tabú" de Tarabela Creativa; o sábado 20 toca Concerto Confusión con Píscore, para toda a familia; e o 27 cita con Lambetadas. A cita do domingo 21 será con Xoan Curiel, nunha cita que servirá para a Entrega de Premios do XIV Certame de Poesía Antón Zapata. Nas 4 actuacións, que serán as 19:00h, de balde, no Salón de Actos Culturais, colabora a Deputación da Coruña, xa que todas as actuacións forman parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Outras novas na Axenda Costa da Morte
NOS_54643
A Illa de San Simón, que fora campo de concentración, volveu ser escenario dunha homenaxe ás vítimas do franquismo que tamén lembra a Chato Galante.
A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) volveu este domingo ao antigo cárcere franquista da Illa de San Simón para expresar a súa "preocupación" fronte aos "rebrotes" que xorden da ideoloxía "fascista" e para pedir a ilegalización destas forzas. Nun xa tradicional acto celebrado todos os veráns nesta singular illa do fondo da ría de Vigo, o portavoz deste colectivo, Matías da Torre, leu un manifesto no que se asevera que "todas as alternativas políticas son lexítimas dentro do respecto aos dereitos humanos e á defensa da igualdade" e que, fóra deste ámbito, "só queda o fascismo", fronte ao cal "ninguén debe facer concesión". No mesmo texto, que concluíu dando o parabén a Galiza por deixar a Vox "fóra de calquera institución" nas eleccións galegas do pasado domingo, a Iniciativa Galega pola Memoria rexeita non só "a normalización das forzas fascistas" e a "compracencia" coa que son tratadas, senón tamén a actitude doutros partidos que "irresponsablemente" as utilizan "para meter medo ou dividir o voto dos adversarios". Partidos que burlan as leis E é que, de acordo co manifesto, estes grupos "burlan constantemente" as leis vixentes "contra o racismo, o machismo, a homofobia e outras formas de discriminación" baixo a "escusa da liberdade de expresión e doutros dereitos que, precisamente, eles pretenden conculcar". En resumo, engade, móstranse "como vítimas do autoritarismo da retórica do politicamente correcto para defender un totalitarismo auténtico e efectivo". "O fascismo non é unha ideoloxía máis, senón que representa a eliminación de calquera outra ideoloxía e a supresión do pluralismo político: non teñen outra proposición que a lei do máis forte e por iso a súa estratexia de crispación busca a confrontación para provocar un clima de violencia que lexitime, precisamente, o uso da forza", advirte o texto, en voz de Matías da Torre. Lembranza das que faleceron A lectura deste manifesto puxo o ramo dun acto que este ano, ademais de lembrar ás vítimas do franquismo no antigo cárcere da Illa de San Simón, tivo un especial recordo para persoas vinculadas ao movemento memorialístico da Galiza e que faleceron nos últimos meses. Entre eles, lembrouse ao activista Chato Galante, quen morreu o pasado mes de abril vítima da Covid-19 e quen precisamente o pasado ano participaba neste mesmo evento, ademais da outras personalidades como Pepe Francés, Antonio Nores, Mariquiña Villaverde e Elvira Varela Bao. Este acto, que levaba por nome 'Fascismo, nunca máis!' contou de novo coa música dos Gaiteiros da Memoria, que interpretaron o himno de Rego, o himno do Antigo Reino da Galiza e o himno galego, tras unha ofrenda floral ás vítimas do franquismo colocada na pequena Illa de San Antón, anexa á de San Simón a través dunha ponte.
NOS_31504
Oriol Junqueras mantense como o líder catalán mellor valorado.
Se agora se realizase un referendo sobre a independencia en Catalunya, o si gañaría. Así o indica a sondaxe de opinión política 2020 do Instituto de Ciencias Políticas e Sociais (ICPS), segundo o cal un 44,4% de cataláns votaría a favor, un 33,3% faríao en contra, un 0,5% optaría polo branco ou o nulo, o 18,5% absteríase e un 3,3% non o sabe ou non contesta. Entre os que irían votar, por tanto, un 56,7% votaría que si, un 42,6% non e o resto en branco ou nulo. A enquisa fíxose entre o 14 de setembro e o 14 de outubro —cando se inhabilitou ao presidente da Generalitat, Quim Torra— cunha mostra de 1.200 persoas e unha marxe de erro de 2,8. Os resultados á pregunta sobre que votaría "se mañá fixésese un referendo para decidir a independencia de Catalunya" son parecidos aos das últimas enquisas anuais do ICPS, aínda que o apoio ao si baixou levemente. "Como acabará o procés?" Noutra pregunta, os enquisados responderon como lles gustaría que acabase o procés independentista, e noutra como cren que acabará. Así, o 45,2% quere que o proceso soberanista acabe "cun acordo con España para dotar a Catalunya de máis autogoberno", o 31,9% coa independencia, o 16,2% co abandono do procés, e o 6,8% non sabe ou non contesta. Estes resultados cambian na pregunta sobre como cre que acabará, xa que o 42,2% considera que acabará cun acordo para que haxa máis autogoberno en Catalunya, un 26,7% co abandono do procés soberanista, o 22,1% non sabe ou non contesta, e só un 9,1% cre que acabará coa independencia de Catalunya. Valoración dos líderes O líder político catalán mellor valorado é o presidente de ERC, Oriol Junqueras, cun 5,14 de nota media, e é o único que aproba, xa que a segunda mellor valorada é a alcaldesa de Berga (Barcelona), Montse Venturós ( CUP), cun 4,59, seguida do deputado da CUP no Parlament Carles Rise cun 4,51. O vicepresident da Generalitat e previsiblemente candidato de ERC ás eleccións catalás, Pere Aragonès, obtén un 4,49; a líder dos comuns no Parlament, Jéssica Albiach, un 4,2; a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau ( comuns), un 4,1, e a alcaldesa de L'Hospitalet de Llobregat (Barcelona), Núria Marín (PSC), un 4,01.
PRAZA_6437
A entidade convoca unha concentración para o videiro martes, previa ao inicio do xuízo no que unha empresa de mudanzas lle reclama o pagamento de 39 mil euros, unha débeda que podería provocar a desaparición do Ateneo, e que debería aboar o Concello, segundo os seus responsables.
Este mércores comeza nos xulgados de Ferrol o xuízo que pode provocar a desaparición do Ateneo Ferrolán, unha entidade cultural de historia centenaria e que, refundada nos anos setenta, vén sendo dende entón un motor da cultura na cidade. A empresa Mudanzas Felix, S.L. reclámalle ao Ateneo o pagamento de 39.000 euros, importe do traslado e almacenamento do seu patrimonio co gallo das obras de rehabilitación da sede da entidade. Porén, o traslado e almacenamento da biblioteca, hemeroteca e enseres do Ateneo, a comezos de 2011 non foi unha iniciativa desta entidade, senón que se fixo por esixencia do Concello de Ferrol e da dirección de obra, co compromiso de que o Ateneo nunca tería que facer un desembolso económico para o que non tiña capacidade financeira. A anterior xunta directiva, presidida por Ramón Veloso, chegou a un acordo verbal co concelleiro de Urbanismo, Guillermo Evia, para que fose o Concello quen recuperase os bens do Ateneo con cargo ás arcas municipais. Porén, en 2011 cambia o goberno municipal e o Concello muda os seus plans, negándose o novo goberno do Partido Popular a asumir o pagamento deste gasto. Por este motivo, e ante a gravidade da situación actual, o Ateneo Ferrolán convoca unha concentración o próximo martes ás 20 horas. na Praza de Armas para esixirlle ao Concello que "asuma os gastos de traslado e almacenamento do patrimonio da entidade". A decisión de convocar esta concentración foi adoptada o pasado día 8, nunha asemblea aberta celebrada coas diferentes asociacións do tecido asociativo e cultural da cidade. Unha entidade centenaria O Ateneo Ferrolán convoca unha concentración o próximo martes ás 20 horas. na Praza de Armas para esixirlle ao Concello que "asuma os gastos de traslado e almacenamento do patrimonio da entidade" O Ateneo de Ferrol fundouse en 1879 e durante os últimos 135 tivo sempre un papel moi importante na promoción da cultura na cidade, unha actividade só interrompida durante os periodos de ditadura. Tras o franquismo, a entidade refundouse como Ateneo Ferrolán, e dende 1983 ocupa un fermoso edificio no número 202 da rúa Madalena. En 2008, a raíz dun problema de pingueiras no teito, o Concello decide a rehabilitación completa do inmoble, unhas obras nas que investiu 1,2 millóns de euros. Por mor das obras, os fondos do Ateneo -unha biblioteca de dez mil volumes e unha valiosa hemeroteca- tiveron que ser alamcenados por unha empresa de mudanzas. O Ateneo, presidido na actualidade polo historiador Eliseo Fernández, iniciou hai uns meses unha campaña pública, Salvemos o Ateneo, para alertar na comarca e en toda Galicia da situación que se está a vivir e do perigo que vive unha institución cultural cun século de actividade. Os responsables do Ateneo consideran que con esta estratexia, o alcalde Rey Varela busca "castigar" un "traballo cultural crítico realizado polo Ateneo que resulta incómodo para o actual goberno municipal". "O Ateneo é unha entidade molesta para un goberno municipal autoritario, que non acepta a discrepancia nin tampouco as expresións de cultura participativas e populares que caracterizan ao Ateneo de Ferrol, en colaboración con boa parte do tecido asociativo e das creadoras e creadores da cidade", denuncian. Sinalan igualmente que "esta cultura popular e participativa pon en evidencia a nefasta política cultural do Concello de Ferrol, que despilfarra enormes recursos económicos sen ningún sentido". "Unha política cultural asentada no papanatismo que prima o foráneo fronte ao local, que inviste auténticas fortunas na rehabilitación de edificios que despois permanecen infrautilizados, e que externaliza a xestión dos espazos culturais a través dunha desas empresas especializadas na xestión de servicios municipais", engaden. "O Ateneo é unha entidade molesta para un goberno municipal autoritario, que non acepta a discrepancia nin tampouco as expresións de cultura participativas e populares" Á negativa a cumprir o seu compromiso de facer fronte á debeda contraída coa empresa de mudanzas súmase o feito de que dende a reapertura do edificio tras a súa rehabilitación, o Concello restoulle á institución cultural boa parte do espazo que ocupaba anteriormente, instalando alí outras tres asociacións e relegando o Ateneo ao último andar, a pesar de que en 2008 o pleno municipal aprobara por unanimidade a cesión indefinida do edificio ao Ateneo. O Concello tamén fixo desaparecer do exterior do edificio os elementos identificativos do Ateneo e vén negándose sistematicamente a conceder calquera axuda económica a Ateneo, "mesmo as que se mantiveran en anos anteriores e con gobernos municipais de moi diverso signo político", denuncian os responsables da entidade.
NOS_27922
O Palau da Generalitat acolleu onte a reunión entre os presidentes dos Gobernos español e catalán, Pedro Sánchez e Quim Torra, como xuntanza previa ao estabelecemento da mesa bilateral entre ambos os Executivos, tal e como se estipula no pacto entre ERC e PSOE que posibilitou a investidura de Sánchez. O mandatario español desbotou a proposta de contar cun mediador nas xuntanzas, propuxo que o encontro entre ambos os Gobernos inicie xa en febreiro e entregou a Torra a "Axenda para o reencontro".
Unha hora e media durou o encontro de onte entre o presidente español Pedro Sánchez e o catalán Quim Torra. Foi esta a primeira cimeira entre ambos os mandatarios desde a reunión mantida en Pedralbes (Barcelona), en decembro de 2018, no marco da mesa de diálogo que estabeleceran daquela ambos os Executivos. A xuntanza de onte desenvolveuse na sede da Generalitat e nela Sánchez propuxo iniciar xa neste mes de febreiro a mesa de diálogo bilateral entre o Goberno español e o catalán. Esta mesa nace co obxectivo de servir para a resolución do conflito político en Catalunya e ten a súa orixe no acordo de investidura de Pedro Sánchez asinado entre Esquerra Republicana de Catalunya e o Partido Socialista. Ao remate da xuntanza de onte e en declaracións aos medios, o xefe do Executivo español ofreceuse a presidir a delegación do Goberno estatal na primeira reunión da mesa bilateral, aínda que non quixo adiantar os nomes das persoas que o acompañarán. Pola súa banda, Quim Torra comunicou o seu desexo de que a reunión da mesa de diálogo teña lugar canto antes. Mais, ao mesmo tempo, tamén anunciou que antes desa xuntanza convocará todos os axentes independentistas (partidos, entidades e o Consell per la República) para informalos do tratado onte con Sánchez, e sinalou que "hai que incluír todas as actores no proceso negociador se o que se quere é resolver o conflito". "Non hai que perder tempo nin facerllo perder a ninguén. Non hai que trasladar falsas expectativas", concluíu o president. Sánchez non quer mediador nin autodeterminación Esquerra Republicana de Catalunya demandara no acordo de investidura unha mesa de diálogo bilateral sen liñas vermellas para o debate, onde se puidera falar de todo, incluído do dereito a decidir, e cuxas conclusións serían sometidas a consulta na cidadanía catalá. Porén, e pese a non pecharse ao diálogo, Sánchez xa deixou claro que non aceptará a autodeterminación e que non haberá nesas reunións ningunha persoa "mediadora", figura que demandaron desde a formación de Torra, Junts per Catalunya. Torra informou a Sánchez "da existencia dun consenso de 80% da sociedade catalá" para exercer a autodeterminación, cun referendo acordado, e demandoulle "pór fin á represión, amnistía e desxudicialización da política, freando todas as causas represivas, xudiciais, da Fiscalía e da Avogacía do Estado". Torra só ve mera xestión na axenda de Sánchez Durante o transcurso da xuntanza de onte, Sánchez entregou ao president catalán un documento de 44 puntos titulado "Axenda para o reencontro", como guía para o desenvolvemento do debate da mesa de diálogo entre os Executivos e onde se marca que este espazo ha de servir para atopar "solucións" ao conflito político no "marco da lei e o respecto á seguridade xurídica", ao igual que se estipulaba en Pedralbes, segundo explicou o presidente español na rolda de prensa posterior á reunión. O documento das 44 propostas elaborado polo Goberno central comprométese de maneira xenérica a "evitar a xudicialización" e a reducir a "conflitividade institucional", ao tempo que enfatiza o respecto pola "independencia e resolucións do poder xudicial". Estabelce ademais a intención de impulsar un novo sistema de financiamento autonómico e medidas sobre o corredor do Mediterráneo e que se porán partidas específicas en materia de infraestruturas. Quen non quixo valorar a "axenda" nin a negativa de Sánchez a contar cunha mediadora na mesa de diálogo foi Torra. Con todo, Torra si dixo das 44 propostas que unicamente tratan "sobre cuestións sectoriais" que, segundo afirmou, cómpren ser abordadas nun espazo distinto ao da mesa de negociación entre os Gobernos, pois reiterou que a cimeira bilateral debe ter como único obxectivo a resolución do conflito político. "Nun Consello de Ministros poderíanse resolver a metade deses puntos, que son déficits crónicos, atrasos e agravios que desexamos que se resolvan rapidamente", vinculados co financiamento e o investimento en infraestruturas, sinalou Torra. Casado acusa Sánchez de "render pleitesía" O líder do Partido Popular, Pablo Casado, cargou contra Pedro Sánchez con motivo do seu encontro con Quim Torra. Sen aínda coñecer o que acontecerá na mesa de diálogo entre os Gobernos catalán e español, Casado acusou Sánchez de realizar "cesións" ao independentismo e protestou contra a escenificación do encontro no Palau da Genrealitat, denunciando que foi recibido como "un visitante estranxeiro". Xa na cuarta feira, 5 de xaneiro, Casado apresentou unha querela contra Quim Torra por "usurpación de funcións" apoiándose na resolución da Xunta electoral Central que o inhabilitou como membro do Parlament catalán por non ter retirado da sede do Govern unha faixa con lazos amaralos.
NOS_12710
O premio que leva o nome da poeta e tradutora de, entre outras, James Joyce ou Roald Dahl, busca recoñecer o labor de "empresas, entidades ou persoas que destaquen pola promoción da tradución ou intepretación cara ou desde o galego". O certame Xela Arias convócao a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Intepretación (AGPTI) e acepta candidaturas até o 15 de setembro no enderezo [email protected].
Trátase da segunda edición dun galardón que, na primeira, celebrou o traballo da tradutora María Alonso Seisdedos, e serve ademais ao gremio para conmemorar o 30 de setembro, Dia Internacional da Tradución. Calquera persoa, informa a AGPTI, "pode propor unha empresa entidade ou persoa candidata" vía correo electrónico. O xurado formarao a xunta directiva da asociación, a sinalada o pasado ano -María Alonso Seisdedos- e algunha persoa convidada. O premio ten carácter simbólico. A AGPTI fundouse en 2001 "co obxectivo de crear unha plataforma de comunicación entre os profesionais para a defensa do colectivo de traballadores e traballadoras da tradución e da intepretación, ademais da difusión da lingua galega como lingua de traballo neste sector".
NOS_3790
Sen risco e sobre seguro votaron os membros da Asociación de Escritores en Lingua Galega nesta edición dos seus premios. A Cea das Letras festexou as novas obras de nomes sólidos da nosa literatura como Agustín Fernández Paz, Pilar Pallarés ou Antón Riveiro Coello.
Poucas descubertas e menos sorpresas agromaron na Cea das Letras. Escritores e escritoras que participaron na votación convocada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) semellaron preferir tirar sobre seguro. Agustín Fernández Paz, Pilar Pallarés ou Antón Riveiro Coello foron tres dos galardoados nesta edición nas categorías de literatura infantil e xuvenil, poesía ou narrativa. O premio para Agustín Fernández Paz era un dos agardados da noite. Calquera das apostas pasaban por ter a Fantasmas de luz, o seu aplaudido último título, entre os gañadores nos premios escollidos polos propios escritores e escritoras en votación secreta. Tiña tanto nivel de seguridade case como os dous premios honoríficos escollidos en asemblea polos membros da AELG e que recaeron nas equipas de normalización lingüística dos centros de ensino e nos servizos dos concellos en canto institucións que contribúen para a difusión literaria e en José Luís Sampedro como Escritor Galego Universal. A sólida novela de Antón Riveiro Coello, Laura no deserto, resultou gañadora na categoría de narrativa mentres que en poesía Pilar Pallarés, un dos nomes máis destacado da nosa literatura desde os anos oitenta, era unha vez máis recoñecida pola súa obra co premio ao seu novo libro Leopardo son. Tampouco foi novel o escritor que se fixo co premio á mellor obra dramática que, nesta edición, foi parar a Raúl Dans con Chegamos despois a unha terra gris Nunha categoría na que ademais dos membros da AELG tamén participan os xornalistas do Colexio Profesional, o escritor Bieito Iglesias foi o recoñecido pola súa mellor traxectoria de Xornalismo Cultural. Cunha xa dilatada carreira de escrita en xornais e con premios como o Blanco Torres, Bieito Iglesias é, sen dúbida, un dos máis destacados articulistas con presenza en varias cabeceiras de prensa nos últimos tempos. "As crebas" de Miro Villar foi escollido como mellor blog literario mentres que a Ramón Guetierrez Izquierdo recoñecéuselle o seu traballo de tradución dos Sonetos de Shakespeare. O mellor ensaio foi, segundo os escritores e escritoras que participaron na votación, foi Vivir, unha aventura irrepetíbel, a biografía de Mª do Carme Kruckenberg escrita por Mercedes Queixas Zas. A galeguidade de Sampedro Agustín Fernández Paz foi o encargado de recoller o premio ás equipas e servizos de normalización mentres que o Premio Internacional da AELG contou coa ausencia do galardoado que, por motivos de saúde non se pudo desprazar a Compostela. De José Luís Sampedro leu unha emotiva carta o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, na que, ademais de agradecer o premio evocou as súas orixes galegas e aos escritores do país cos que tiña relación."Galego era o meu avó paterno, que faleceu en Betanzos; de Galicia me falaba miña avoa cando neno; únenme recordos persoais con motivo dunha estadía en Ortigueira [na Universidade Popular]. Recordo así mesmo a Asociación Cultural Lóstrego en Madrid e amigos como Xosé Manuel Beiras –dos poucos que comprenderon os meus esforzos pola estrutura (económica)-; e máis recentemente úneme a Galicia o meu afecto e admiración por Carlos Taibo e Manolo Rivas" anotou na carta José Luís Sampedro.
PRAZA_3514
Todo parece indicar que os da alternativa política van ter que aprazar sine die o seu ansiado Domingo de Ramos.
"Eu pra min, as premoniciós haber hainas, mais dixérase que "agardan" que se produzan certos feitos pra manifestáranse". (Terra brava, Anxel Fole).Eran outros tempos. Aqueles si que eran Domingos de Ramos! Sempre aderezados con porfiosas competicións, a ver quen levaba o ramo máis rechamante. Nunha ocasión, disposto a impresionar á freguesía, o Ricardo do Camba presentouse cunha enorme taloira de loureiro, máis longa có pendón das procesións, case decotada ata a punta, onde lle espetara a carola dun nabo que lucía varios grelos floridos. Nesa cerimonia, ideada pola Igrexa para pórlle fin á Coresma, o ruxerruxe das follas e o aroma do loureiro verde eclipsaban os rancios e repugnantes cheiros a cera queimada, a incenso, a chamusco... a decadencia, en fin. Eran tempos nos que os curas oficiaban en latín e de costas cara a xente, condenándoa a escoitar e soportar as súas aborrecidas andrómenas, agás naqueles instantes de alivio, nos que a mocidade –e outros que non eran tan mozos– aproveitaban o barullo, mesmo para darlle estopa a aqueles piadosos desprecavidos, prestos a escoitar lerias inintelixíbeis. Das lombeiradas nin sequera se salvaba o cura, por atreverse a ir tan campante polo corredor central, sacudindo o hisopo a destro e sinistro. Nin o sancristán, por papaleisón.Os de agora son tempos de mudanzas. Mais, vista a angostura da canella pola que nos enfían os medorentos a trepar polo descampado, obsesionados en apertar as costuras contra os matices e as compañías necesarias, todo parece indicar que os da alternativa política van ter que aprazar sine die o seu ansiado Domingo de Ramos. E iso talvez aconteza, non polos acertos do señor dos Peares, senón pola teimosía dos outros en perpetuar a Coresma, pretendendo que confundamos o Mércores de Cinsa co Enterro da sardiña, polo simple feito de cadraren no mesmo día, e así permitir que sigamos facendo do xaxún e da abstinencia a nosa forma de vida. Ah! O meu tío Lisardo sospeita que Feijoo si celebrará o Domingo de Ramos, saboreando outra maioría, a cabalo da nosa burremia irredenta, portando a palma de plexiglás, chea de abelorios, que lle serviu para embobarnos tantos anos seguidos. Mais, como non hai mal que por ben non veña, é probábel que dentro duns meses a leve canda el, se decide deixarnos plantados para mudarse á capital do reino.
NOS_11437
Para o BNG, a proposta de orzamentos do PP para 2013 sacrifica a creación de emprego e por iso vén de apresentar emendas cruzadas co fin de que se destinen 600 millóns á criación de postos de traballo. Propón tamén que os orzamentos contemplen maiores impostos ás grandes superficies e ás fortunas.
O grupo parlamentar do BNG vén de apresentar emendas á totalidade de devolución dos orzamentos xerais para o ano 2013 co obxectivo de que as contas da Xunta se encamiñen á creación de emprego. Na súa proposta contémplase que se destinen 630.570.260 euros á recuperación de emprego, alén do mantimento do poder adquisitivo das persoas que traballan no sector público. As emendas cruzadas apresentadas polo BNG diríxense a reforzar as políticas sociais, consonte á crise que o país está a padecer.Pola contra, o grupo nacionalista indica o gasto corrente improductivo e a privatización de servizos públicos como os ámbitos onde se deben aplicar os recortes. Máis impostos a quen máis tenA respecto dos ingresos tributarios, o BNG propón a aplicación do imposto sobre grandes superficies comerciais, alén de modificar o de sucesións e patrimonio máis o IRPF a partir dos 100.000 euros. "Deben pagar máis quen máis ten", sinalan na explicación das modificacións que suporían uns ingresos tributarios por valor de 140 millóns de euros. Ao seu ver, os orzamentos presentados en comisión polo goberno da Xunta "sacrifican o emprego e as condicións de vida de todos os galegos e galegas a custa de manter no altar o déficit público".
NOS_14360
Dentro do Simposio das Irmandades que decorreu no Museo do Pobo, Xosé Ramón Ermida deu a coñecer os nomes dos 40 militantes das Irmandades que morreron a mans das hostes de Franco.
Ermida Meilán, autor do ensaio 'Mortos por amor á Terra' no que dá conta de todas as vítimas da represión franquista sobre o nacionalismo galego entre 1936 e 1950, presentou unha comunicación neste Simposio no que lle pon nome a todos os irmandiños vítimas da Ditadura, aproveitando o centenario das Irmandades e o 80 aniversario do alzamento fascista. Ermida cifra en 40 irmandiños asasinados, pero tamén 124 militantes que pasaron polas prisións, polos campos de concentración, polos batallóns de traballo, polos expedientes de depuración administrativa, polas sancións económicas, polas malleiras, polo desterro e tamén polo exilio. Encarcerados, entre outros, Ermida cita a Elvira Bao Maceiras, secretaria da Irmandade Feminina da Coruña, ao secretario da editorial Céltiga Fiz Álvarez do Castelo, ao alcalde de Ortigueira Alfredo Rebollar Martínez ou ao fundador das Irmandades Luís Peña Novo. Algúns foron vítimas das sancións económicas, foron o historiador Florentino López Cuevillas, a dirixente coruñesa Silvina Ruibal, o poeta Xoán Vidal Martínez ou o pintor Amando Suárez Couto. A represión franquista acadou, segundo o autor, un mínimo de 164 militantes das Irmandades, o que supón o 21,9% do total. E os asasinados supoñen un 5,3% do total do censo. A represión franquista acadou, segundo o autor, un mínimo de 164 militantes das Irmandades, o que supón o 21,9% do total. E os asasinados supoñen un 5,3% do total do censo coñecido polos historiadores. Eis os nomes das 40 vítimas: Na agrupacion da Coruña, a máis numerosa, eis os asasinados: Carlos Monasterio Valeiro, Xaquín Martín Martínez, Xenaro Ruano Sanxurxo, Xosé López López e Fernando Lago Portela. Nas terras das Mariñas, entre Sada e Betanzos, foron: Xoán Antón Suárez Picallo, Xil González Mosquera (quitouse a vida despois de recoñecer e levantar acta, como funcionario de xustiza, do cadáver de Picallo), Rafael Fernández Casas e Tomas López da Torre. A comarca de Ferrol sitúase á cabeza da represión contra a militancia irmandiña. Na cidade departamental perderon a vida Xaime Quintanilla González, Manuel Morgado González del Valle, Xoán García Niebla, Luís Pérez Carballa, Arturo Noguerol Buxán, Manuel Gómez Suárez e Isaac Forneiro Barandela. Na área de Compostela caen Ánxel Casal Gosenge, Camilo Díaz Baliño, Xoán Xesús González Fernández e Bernardo Mato Castro. Na Mariña luguesa as vítimas foron César Parapar Sueiras, Xavier Soto Valenzuela, Avelino López Otero e Xosé María Díaz e Díaz Villamil. En Ourense finan a mans franquistas Roberto Blanco Torres, Amadeo López Bello, Modesto López Teixeiro, Manuel Fuentes Canal e Antonio Domínguez Pérez. E na comarca de Valdeorras: Manuel Blanco Pascual, Domingo Cotarelo e Segundo García. En Pontevedra comarca serán asasinados Vítor Casas Rei, Alexandre Bóveda e Xosé Francisco Gómez de la Cueva, coñecido como Johán Carballeira. E en Vigo, onde a penetración das Irmandades -segundo o autor- foi limitada: Víctor Fraiz Villanueva e Apolinar Torres. E abatidos en Vigo pero naturais do Barbanza foron Xosé Antonio Lustres Rivas e Xosé Losada Castelao. Do Condado eran Xosé Domínguez e Enrique Peinador.
NOS_15593
Empresa e comité teñen de marxe até este xoves para volver reunirse e aceptar esta formulación.
O Ministerio de Industria e a Xunta realizaron unha proposta conxunta para que se amplíe ao 28 de setembro o período de consultas do ERE en Alcoa San Cibrao, nun prazo no que a multinacional estadounidense debe negociar unha operación de venda "en exclusividade" con Liberty House -que forma parte do grupo GFG Allianc--, así como manter a actividade na fábrica. Así figura nesta proposta emitida por ambas as administracións após celebrarseesta terza feira en Madrid unha reunión entre o secretario xeral da Industria e a Peme, Raül Blanco; o conselleiro de Economía, Francisco Conde; o presidente de Alcoa en España, Álvaro Dorado; o secretario xeral da CIG, Paulo Carril; o responsábel de Política Industrial e Sectorial de CC.OO. de Industria, José Manuel Casado; o secretario xeral de UXT FICA, Pedro Hojas. Segundo sinalan a Xunta e o Ministerio, realízase esta proposta "co obxectivo de lograr que se garanta o mantemento da actividade industrial na planta de Alcoa San Cibrao". "A ampliación do período de consultas terá como obxectivo prioritario pechar un acordo de compravenda, fixando o 27 de setembro como data límite para conseguilo. Se non se concreta devandito acordo, as partes que integran a comisión negociadora (Alcoa e comité de empresa) reuniranse o 28 de setembro co propósito de finalizar o período de consultas", sinala esta formulación feita por ambas as administracións. Agora, esta proposta de Xunta e Goberno será remitida a Alcoa e ao comité de empresa para a súa aceptación, "que en calquera caso deberase ratificar no marco da comisión negociadora (Alcoa e comité de empresa), que terá de marxe para volverse a reunir até o vindeiro xoves 13 de agosto", explica o comunicado. Durante este proceso até o 28 de setembro, Alcoa ten que comprometerse tamén a informar regularmente á Xunta, ao Ministerio de Industria aos representantes de cada organización sindical da evolución das negociacións.
PRAZA_15723
ADEGA fixo públicos os nomes da 15º edición dos seus galardóns, que sinalan o peor e o mellor do pasado ano dende a perspectiva ambiental. O premio Dioxina sinalou a ENCE e ao "decepcionante resultado" do Cumio do Clima de París.
ADEGA fixo públicos os galardoados na 15º edición dos premios Osíxeno e Dioxina, que sinalan o peor e o mellor do pasado ano dende a perspectiva ambiental en Galicia. O anuncio, ademais, coincide tamén coas celebracións dos 40 anos da entidade, constituída en 1975 e legalizada en 1976. "Queremos ante todo recoñecer o traballo e o compromiso xeneroso dos milleiros de socios e socias de ADEGA ao longo destes 40 anos", sinalan, dedicándolles en consecuencia a eles e elas, "presentes e ausentes", o premio Osíxeno de Honra "por termar do ecoloxismo galego e defender a natureza do país durante todo este tempo". Os premios entregaranse no decurso dun xantar de confraternización que terá lugar o vindeiro sábado 30 de xaneiro a partires das 14.30 horas na Nave de Vidán. Na edición 2015 dos galardóns, o premio Osíxeno en categoría individual vai dirixido a Xesús Asorey Martínez, secretario técnico da AGA (Asociación Galega de Apicultura) "pola súa loita incansábel por divulgar e manter viva esta actividade tradicional, especialmente nos últimos tempos cos problemas dos pesticidas e a vespa velutina". O premio Osíxeno en categoría colectiva recoñece o labor da Granxa Arqueixal, "referente da produción ecolóxica en Galiza e exemplo de dinamización e posta en valor do medio rural con iniciativas respectuosas e sustentábeis". Pola outra banda, os premios Dioxina, que sinalan as actuacións negativas ou agresións contra o medio, van destinados nesta ocasión á empresa ENCE, "pola súa teima en seguir contaminando outros 75 anos a ría de Pontevedra e ser responsábel da enorme estensión do eucalipto en Galiza". E tamén aos "líderes mundiais responsábeis do decepcionante resultado do Cumio do Clima de París", destacando ADEGA que "a súa falla de visión e de responsabilidade ao pechar un acordo sen medidas urxentes nen compromisos vinculantes, supón outra oportunidade perdida na loita contra o cambio climático". Os laureados e laureadas nesta edición únense á unha xa longa lista de nomes sinalados, por ben ou por mal, nos últimos anos. A plataforma en defensa da ría do Burgo, Cemma, Nunca Máis, Antón Masa (presidente da APDR), Adolfo Muíños (alcalde de Rianxo) ou a Plataforma Sarriana polo Río figuran entre os homenaxeados co premio Osíxeno. E os responsables políticos da marea negra, Carlos Muñoz (xefe do servizo de conservación na Coruña), SOGAMA ou Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta aparecen entre os criticados polas súas actuacións.
NOS_36455
Os mecados tradicionais de produción local foron suspendidos por decisión da Xunta da Galiza até, como mínimo, o 31 de marzo. En tanto, estanse a artellar iniciativas para que os produtos das labregas cheguen aos fogares, entre elas esta do municipio da Mariña.
Cenouras, porros, acelgas, amorodos mel ou ovos son algúns dos produtos que as veciñas de Ribadeo poden mercar ás labregas do municipio. Os pedidos, cuxo reparto é gratuíto, pódese realizar contactando cunha das seis produtoras locais: Ana de Ove, Charo, Engracia de Arante, Finca as Fadegas, a Horta Piñeira ou Vitoria. O Concello convida ás produtoras agroalimentarias de Ribadeo inscritas no rexistro de explotacións agrarias da Galiza, o Reaga, a poñerse en contacto para sumarse a esta iniciativa. Na comarca de Compostela, a asociación Non é o mesmo puxo en marcha unha iniciativa para distribuír en comercios locais a produción das labregas en ecolóxico. Polo momento sumáronse seis tendas de distintos barrios composteláns: As Cabaciñas, no Restollal; A Horta da Avoa, en Galeras; Seiva de Abril, no barrio de San Pedro ou a Cesta da Saúde, no barrio do Ensanche. En Bertamiráns, no municipio de Ames, estarán dispoñíbeis no comercio A cesta natural.
NOS_16874
O dato podería ser peor de non ser pola alza de 4,3% no mes de xullo
As exportacións caeron 14,3% no primeiros sete meses do ano na Galiza en relación co mesmo período do ano anterior, até situarse en 10.607,87 millóns de euros, segundo un informe que vén de facer público o Instituto Galego de Estatística (IGE). Con todo, o volume de exportacións de xullo, mes no que o dato se elevou até os 1.957,36 millóns de euros, supón un incremento de 4,3% en taxa interanual. Pola súa banda, as importacións baixaron 22,4% até agosto, por un importe de 8.949,27 millóns de euros, e tras descender 14,3% en xullo (cando o valor do importado situouse en 1.482,2 millóns de euros). Por produtos Os produtos con maior influencia positiva nas exportacións de xullo foron os vehículos automóbiles e tractores, cun peso de 35,2% sobre o total e unha taxa interanual de 74,6%. Por contra, a repercusión máis negativa foi a das pezas de vestir non de punto, combustíbeis e aceites minerais e barcos e embarcacións. A carón das importacións, a influencia máis negativa foi a dos combustibles e aceites minerais, mentres que a repercusión negativa centrouse en materiais plásticos e as súas manufacturas. Por destino As expedicións dirixidas á Unión Europea en xullo presentaron unha variación interanual de 10%, e entre os países con que o peso do comercio é significativo os maiores ascensos foron os de Francia (50,2%), Bélxica (37,4%), Alemaña (14,1%) e Italia (7,2%). Os maiores descensos, Países Baixos (-37,8%) e Portugal (-6,2%). No caso das introducións da UE, a diminución foi do 9,9% debido a unha baixada xeneralizada das compras á maioría dos países representativos.
NOS_52517
É unha cruz gravada preto do camiño que sube desde o Fieiro.
A Asociación Monte Pindo Parque Natural informa da descoberta dun novo petroglifo non catalogadono coñecido como Olimpo Celta, unha cruz " extraordinariamente semellante ás presentes no propio cumio da Laxe da Moa, aínda que moito menos erosionada". Foi atopada polos veciños Jordi Tato e Iván Franco (directivo da AMPPN e concelleiro de Cultura de Carnota) Este petroglifo, apontan do colectivo, podería estar relacionados "cos intentos de cristianización dos cultos pagáns". Tamén salientan que o descubrimento ten unha gran importancia "pois é a primeira vez que se encontra un símbolo destas características nun dos accesos en vez de nun lugar de culto consolidado, como é o caso da Laxe da Moa, pico Penafiel ou Cova da Xoana".
NOS_15069
O campión da Copa Galiza de baloncesto EBA decidirase esta fin de semana nunha final na que participarán o Xiria e o Chantada. O encontro terá lugar no Pavillón Vila de Noia de Carballo.
A Federación Galega de Baloncesto (FGB) vén de confirmar a Escola Basket Xiria e o Concello de Carballo como organizadores da final da Copa Galiza EBA, que medirá o conxunto local contra o CB Chantada. Ambos os dous equipos clasificáronse como primeiros de grupo na fase previa ao conseguir tres vitorias cada un. Ferrol agarda saber quen leva a Copa Galiza feminina O campión desta edición na tempada 2022-2023 saberase o 2 de outubro ás 12 horas, no Pavillón Vila de Noia. O conxunto chantadino, campión consecutivo das últimas tres edicións da Copa, será un rival difícil para o Calvo Basket Xiria, como equipo recentemente ascendido e con menos experiencia. Porén, os de Carballo tiveron un grande inicio de tempada baixo as ordes de Héctor Méndez como adestrador. Unha proba foi o último partido diante do EDM A Estrada que concluíron cun contundente 45-78. Diante terán os de Chantada, un bloque compacto que xa leva anos sendo uns dos mellores da categoría, e que nesta competición non tivo piedade cos seus rivais. Unha tripla de Bamforth dá ao Breogán unha nova Copa Galiza de baloncesto A presentación oficial desta final terá lugar hoxe no Concello de Carballo ás 12.30 horas e contará coa presenza do presidente da xunta xestora da FGB, Francisco Martín; o alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro; o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo; e o presidente da Escola Basket Xiria, Primitivo X. Reguera Rodríguez. A Escola Basket Xiria, entidade deportiva herdeira do Bergantiños CB dos anos 80, agradeceu a través das súas redes sociais "o apoio do Concello de Carballo" e as facilidades que tiveron para acoller este encontro. Ademais, lembrou "a confianza que a Federación Galega de Baloncesto puxo no club" para organizar este partido. Esta final galega de baloncesto afeccionado será retransmitida en directo pola canle de YouTube da Federación.
NOS_17335
O Festival de Teatro Galego do Carballiño fai 29 anos. Do 22 ao 24 de agosto, ofrecerá unha escolma do mellor do xénero, acompañado de numerosas actvidade paralelas. "É o único festival que se centra exclusivamente nas artes escénicas producidas en Galiza", presume a asociación cultural Fetega, organizadora da cita.
A cuarta feira 22 de agosto ás 19.30 horas arrincará o encontro. Será no anfiteatro a Veracruz e a apretura correspondará a Vueltos de Rosca, que ofrecerán Totum Revolutum. Ás 22.30 horas, no Auditorio Municipal, Deste Xeito interpretará Loló e Mamá. Ao día seguinte, Pistacatro -compañía circense- amosará A vida tola. Será tamén ás 19.30 no anfiteatro da Veracruz. Tres horas máis tarde no Auditorio, Panadaría Teatro exporá Elisa e Marcela, sobre as dúas mulleres que se revolveron contra os costumes represores da súa época. A derradeira xornada do Fetega será a sexta feira 24 de agosto. Ás 19.30 horas, no anfiteatro, haberá circo, o espectáculo O que queda por chover, de Duelirium. E ás 22.30, Artesa Teatro pechará a mostra no Auditorio con Chola a it girl. Ademais das obras, o festival de teatro do Carballiño conta cunha programación paralela que comezou este sábado cun obradoiro de performance a cargo de Alba Blanco e María Roja. A animación de rúa achegarana diversas pezas de Barafunda. E a sexta feira, 24 de agosto, tres mesas de debate reflexionarán sobre o "pasado, presente e futuro das mulleres na escena galega". O Concello do Carballiño, a Deputación de Ourense e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia son os principais patrocinadores do encontro.
NOS_41713
Será a feira da "corresponsabilidade" e, por iso, a organización de Culturgal está a promover a participación das entidades e particulares nas tres convocatorias que teñen abertas, a de actividades, stands e a tenda da feira. A edición presentará como novidade unha entrada voluntaria para o público.
A entrada voluntaria, con prezo fixo, será unha das novidades do Culturgal do 2013. Na busca dunha maior "corresponsabilidade" social en tempos de crise e caída de axudas públicas, a organización optou por habilitar unha pequena contribución do público con carácter voluntario. Quen decida abonala converterase en persoa colaboradora da Feira, o que se poderá mostrar a través dun elemento identificador. A organización de Culturgal ten abertas neste momento tres convocatorias ás que tamén lle outorga especial relevancia, na busca do compromiso máis intenso dos sectores implicados na Feira. O xoves 3 de outubro remata o prazo para a presentación de proxectos e actividades para participar no Culturgal que terá lugar en Pontevedra do 29 de novembro ao 1 de decembro. A "corresponsabilidade" é o concepto clave da nova edición do Culturgal e, deste xeito, a participación tanto de entidades como de artistas, asociacións ou particulares cobra nesta ocasión unha especial relevancia. Como espazo de divulgación de propostas da cultura actual, Culturgal ofrece o seu escaparate a iniciativas que queiran entrar a formar parte do seu programa de actividades. As propostas seleccionadas comporán o programa dunha Feira que quere ser centro non só do público interesado nas novidades do ámbito cultural senón tamén de profesionais, programadores ou público xeral. A organización da Feira valorará o feito de os proxectos se estrearen na Feira ou que sexan produto da colaboración entre empresas. As que formen parte da Asociación Culturgal ou contraten un stand tamén serán privilexiadas á hora da selección. Xestión da tenda Até o día 6 de outubro está aberta a convocatoria do concurso para a xestión comercial da tenda de Culturgal 2013. A proposta canalízase a través da Federación de Libreiros de Galicia co fin de favorecer ás entidades que apostan durante todo o ano pola venda de produtos culturais galegos. A experiencia, ter participado en anteriores edicións, ser da contorna de Pontevedra ou dun colectivo de empresas son algúns dos valores que se terán en conta á hora de facer a selección. Até o día 20 de outubro está aberto o prazo para solicitar un posto nunha feira que se estruturará nas áreas de audiovisual e tecnoloxía, libro, música, artes escénicas e infantil.
NOS_43034
Segundo o balance do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos faleceron oito profesionais deste eido por coronavirus en todo o Estado.
Seis profesionais de Farmacia deron positivo en COVID-19 na Galiza. Ademais, unha oficina de farmacia permanece pechada e outras catro farmacias galegas teñen algunha traballadora ingresada ou en corentena. Así consta no balance do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos, con datos actualizados até este terza feira. En total no Estado: oito farmacéuticas faleceron por coronavirus (seis de Madrid, un da Rioxa e unha de Cidade Real), 276 están ingresadas ou en corentena, 57 farmacias están pechadas e 126 oficinas teñen algunha traballadora afectada. A Galiza vai por baixo da media estatal ao ter só unha oficina de farmacia non aberta, seis casos de farmacéuticas e catro farmacias con persoal ingresado ou en corentena. Ante estos datos, as farmacéuticas insistiron na necesidade de que as profesionais "extremen a precaución, seguindo os consellos dos procedementos que se elaboraron para a protección, tanto das traballadoras das farmacias como das usuarias". Ademais, lembran á cidadanía a necesidade de seguir os consellos das profesionais de Farmacia cando acudan ás farmacias, algo que deben facer só nos casos necesarios. "Máximas garantías de seguridade" O presidente do Consello Xeral, Jesús Aguilar, trasladou as súas condolencias a familiares e amizades das persoas falecidas e expresou o desexo de que se recuperen as que permanecen afectadas. "As farmacéuticas, como profesionais sanitarias máis próximas e accesíbeis, estiveron e están a atender aos cidadáns antes de que fosen a outros centros sanitarios ou lles fose confirmado o contaxio. Lembramos a necesidade de implantar as máximas garantías de seguridade e de que as farmacéuticas conten con equipos de protección individual (EPIS)", salientou o seu presidente. Neste sentido, Aguilar tamén insistiu na petición ao ministro de Sanidade de que inclúa ás farmacéuticas entre as profesionais sanitarias aos que se lles están realizando probas de detección do COVID-19, como xa ocorre nalgúns territorios do Estado.
NOS_28170
Cargas policiais en Vigo, estudantes de 14 e 15 anos detidos en Pontevedra, bandeiras requisadas en Ourense e altercados en Compostela durante as manifestacións desta xornada de folga.
Non aos recortes en educación. Con este berro rematou en Compostela a manifestación convocada en contra da Lomce. A frase resome os motivos dos 20 protestos que percorreron as rúas da Galiza. Na capital galega rexistráronse algúns incidentes. Así, á primeira hora da mañá, a facultade de Químicas foi desaloxada polos bombeiros ao activar un piquete a alarma de incendios e a auga caer sobre produtos radiactivos colocados debaixo dos aspersores dun laboratorio. Aliás, e nomeadamente na zona do Ensanche e na rúa da Senra á altura da Praza de Galiza, algunhas das persoas que fixeron parte das mobilizacións botaron petardos e lanzaron ovos con pintura contra escaparates de estabelecementos de comida rápida, de roupa e clínicas de cirurxía estética. Máis un incidente rexistrouse impactando unha tapa do alcantarillado contra a luna do Banco Santander. Ourense: os paus das bandeiras, obxectos contundentes A presenza policial foi notábel nas manifestacións das sete cidades galegas. En Ourense, antes de encetar a mobilización principal, a policía española xa requisou as bandeiras do estudantado que facía parte dunha concentración diante da Subdelegación do Goberno. Alegaron que a Lei de Seguranza Cidadá (cuxo anteproxecto non foi aínda nen sequera presentado) impide que as bandeiras teñan paus e procederon a llos retirar. Aliás, a persoa que transladaba bandeiras para repartir ao inicio da manifestación, Tirso Fernández, militante de Isca! e da Liga Estudantil, foi identificado. Segundo lle explicaron os axentes após dar o número de placa que o mozo lles esixiu, "os paus --das bandeiras-- son obxectos contundentes e non se pode ir con eles pola vía pública". Acrecentaron que Fernandez recibirá no seu domicilio a comunicación correspondente ao requisamento dos devanditos paus "e que se non estou de acordo que presente un recurso". Por derradeiro, na cidade das Burgas producíronse tamén identificacións que as organizacións convocantes cualifican de "aleatorias" durante a manifestación. O piquete informativo de 10 persoas que visitou o instituto Portovello pola mañá foi identificado na súa totalidade. Cargas en Vigo diante do edificio da Xunta da Galiza Estudantado que fixo parte da manifestación de Vigo contou que o remate da manifestación estaba previsto diante do edificio da Xunta da Galiza. O lugar estaba tomado polos antidisturbios e un cordón policial impedía a entrada. "Estaban cunha actitude moi agresiva" e, após unha persoa lanzar o estudantado pedras e ovos de pintura, "colocaron os cascos e comezaron a cargar". O estudantado saíu correndo, perseguido polos antidisturbios. Algunhas persoas continuaron no enfrontamento "lanzando pedras, lousas e outros obxectos" contra os axentes da policía española. Estudantes de 14 e 15 anos detidos en Pontevedra por non levaren D.I. Tamén na cidade do Lérez a actuación dos antidisturbios comezou unha vez rematadas as mobilizacións. Tal e como puido saber Sermos Galiza, catro estudantes estaban a falar diante dunha entidade bancaria cando varios axentes da policía española lles pediron a identificación. Como non levaban consido o documento de identidade, "metéronos nun furgón e leváronos a comisaría". Ás portas do edificio, na rúa Joaquín Costa, realizouse unha pequena concentración en solidariedade e para rexeitar as detencións Unha vez fóra e transcorrida case unha hora, tres del@s relataron como "quixeron amedrentarnos" e practicáronlles cacheos "de arriba abaixo". Aliás, ao seren menores de idade --teñen 14 e 15 anos-- foron avisados a nai e o pai. Grilleiras en Ferrol mais sen chegar a intervir En Ferrol, dúas grilleiras ficaron "agochadas" en Canido, segundo informan fontes estudantís consultadas por este xornal, malia que os antidisturbios non chegaron nen a se achegaren ao protesto nen a intervir. COMITÉS, LIGA E AGIR TOMAN POSTURA SOBRE OS INCIDENTE Rematadas as mobilizacións, as tres organizacións convocantes mostraron os seus posicionamentos a respeito dos altercados acontecidos en Compostela e que foron descritos xa nesta información. Así, os Comités publicaron un chío na súa conta oficial de Twitter en que sinalaron que "rexeitamos os actos vandálicos dunha minoría que nubran o verdadeiro éxito da folga estudantil". Pola súa banda, a Liga-Compostela emitiu un comunicado en que se desvincula "dos actos vandálicos tanto nos piquetes como no percorrido da manifestación", e fan fincapé no amplo seguimento que tivo a xornada de greve. E, por derradeiro, Agir emitiu tamén un comunicado para se desmarcar mais non dos incidentes, senón de "calquera posicionamento criminalizando a combatividade do estudantado galego en loita". Acrecentan que a organización independentista se "parabeniza" pola "combatividade mostrada nas rúas da Galiza". BNG E GALIZA NOVA TAMÉN CONDENAN OS "ACTOS VANDÁLICOS" O BNG e a súa organización xuvenil Galiza Nova, que deron o seu apoio á xornada de folga, emitiron senllos pronunciamentos en que condenan os "actos vandálicos". Así, a formación frontista amosou "a súa máis enérxica condena aos actos vandálicos cometidos por unha minoría", acrecentando que "non teñen xustificación nengunha" e que "supoñen unha falta de respecto á inmensa maioría do estudantado e ao resto de organizacións participantes nas manifestacións". Pola súa banda, Galiza Nova empregou a súa conta de Twitter para mostrar o seu "rexeitamento" ás "accións violentas dunha minoría", por considerar que "empañan o éxito" desta xornada de folga en que o estudantado galego voltou responder de maneira contundente contra a Lomce.
NOS_29526
"Grande homenaxe a que estamos argallando, cuxo día principal será o 29 de maio no Teatro Rosalía de Castro". Así comunican a Asociación Cultural Alexandre Bóveda e mais a Asociación de Escritoras en Lingua Galega a xornada, con varias previas, que están a preparar en honra do do escritor Xabier Puente Docampo (Rábade, 1946 – A Coruña, 2018).
Pero antes do día grande haberá tres conferencias de amigas e amigos do autor de Cando petan na porta pola noite (Xerias, 1994). Esta cuarta feira, 27 de marzo ás oito do serán na sede da Alexandre Bóveda, falará Xosé Cobas, amigo persoal e ilustrador de boa parte da obra de Docampo. Unha semana despois, 3 de abril, será Chus Fernández a que interveña. "Fernández é unha gran coñecedora da obra de Xabier", explica a presidenta da asociación cultural María Xosé Bravo. Mestra, "unha das primeira lectoras" dos libros do autor, uniuno a el "unha longa amizade e o amor común polas palabras soñadas e contadas á xeración máis moza". A cuarta feira, 10 de abril, será a quenda de Martin Pawley, crítico cinematográfico, que disertará sobre a cinefilia do escritor. Estas tres conferencias serán a solaina da Homenaxe: na voz da amizade, o acto do 29 de maio no Teatro Rosalía da Coruña a partir das 20.30 horas. Presentarao a poeta Yolanda Castaño e polo escenario pasarán o seu editor de anos Manuel Bragado, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, as mestras Chus Fernández ou Alfonso García Sanmartín, e as escritoras Suso de Toro, María Canosa, Xavier Senín, Paco Martín, Fina Casalderrey ou Paula Carballeira. "Namorado do cinema, guionista e director de programas de radio, contador oral, activista da renovación pedagóxica e da causa da dignidade da lingua galega", definen a Docampo os organizadores, "preparamos o ciclo de encontros e a homenaxe para falar del, do seu xeito de traballar, sempre cóbado con cóbado con outros creadores".
NOS_28100
A partir do 1 de abril Nós Diario achega un novo coleccionábel: Mans á terra, formado por 17 fascículos pensados como un completo curso de horta na casa con nocións básicas para poder comezar a cultivar desde cero, e que poderá pór en práctica calquera persoa que o desexar, tanto se ten un terreo no exterior como se vive nun piso.
A satisfacción de cultivar, colleitar e mesmo de saborear produtos coidados e traballados coas propias mans non require de grandes extensións de terra nin de custosos materiais. Un pequeno terreo, unha terraza ou unhas macetas son máis que suficientes para iniciarse na agricultura ecolóxica co curso de horta na casa Mans á Terra, o novo coleccionábel que en abril acompañará Nós Diario, de terza a sexta feira. Ao longo de 17 leccións, este curso achegará as lectoras e lectores ás nocións básicas para poder comezar a cultivar a horta desde cero, cunha aproximación aos principios da agricultura ecolóxica, reparando na reutilización de materiais que habitualmente acaban no lixo así como na preparación de remedios naturais e caseiros para fortalecer e protexer a horta. Cada fascículo achega unha unidade que, paso a paso, explica os diferentes traballos a desenvolver desde o inicio da horta, inclúe propostas de reutilización de materiais que cobran unha segunda vida, e contén receitas para aprender a preparar remedios naturais sinxelos e eficaces para coidar dos cultivos. Todos os textos de Mans á terra son autoría de Eva Cameán (Carballo, 1994), voluntaria e monitora na escola ambiental da Asociación Senda Nova e unha das impulsoras da horta comunitaria Sementando no Espazo, en Carballo. Paso a paso en 17 leccións O primeiro número sairá á rúa o vindeiro 1 de abril e, a modo de lección inicial, fai un repaso polos utensilios necesarios para comezar a preparar a horta sen ter que realizar un gran desembolso económico, todo o contrario, tentarase aproveitar todo o que nos rodea. Repárase no primeiro: escoller o lugar onde cultivar, unha decisión que dependerá da morada de cadaquén. A seguinte unidade servirá como iniciación á compostaxe e á preparación de compost caseiro para reducir residuos e fortalecer os hortos. A importancia de cultivar desde a semente e saber cales son os cultivos máis sinxelos para iniciarse serán outros dos contidos dos primeiros fascículos, para alén de afondar na asociación de plantas e hortalizas correcta, desbotando falsas ideas que poden levar ao fracaso, como, nunca mellor dito, mesturar allos con cebolas. A cadaquén o que precisar. Esta afirmación de xustiza liga perfectamente co traballo da terra. De facto, un dos fascículos reparará nas necesidades de substrato, terra e de auga que cada tipo de cultivo require. Nas leccións intermedias atenderase a saúde da horta, as pragas máis comúns e explicarase como previlas e combatelas con aliados naturais. Sorprenderá averiguar como os pousos do café son, para alén dun magnífico fertilizante, un efectivo remedio para repeler algúns seres vivos que poden estragar os cultivos. As flores comestíbeis protagonizarán unha lección completa, así como as plantas medicinais que se poden cultivar na casa. A estes fascículos seguirá unha nova unidade en que aprender como colleitar con corrección as herbas medicinas. As malas herbas na horta, verdades e mitos, e consellos para unha boa colleita serán outros dos temas centrais deste curso, así como coñecer as técnicas para conservar alimentos. O novo coleccionábel chegará ao seu fin co remate de abril, cun último número de despedida en que se explicará como preparar o noso horto para a seguinte tempada. Receitas Cada un dos 17 fascículos inclúe distintos apartados, como o "eco-consello" do día, un refrán popular relacionado co cultivo e a vinculación do pobo galego coa terra e o medio ou a "receita". Neste último apartado ofrécense pautas para realizar preparados naturais na casa para a horta, tanto para quen plante en interior como en exterior. Ademais de airear a terra e de comprobar que o substrato que se empregue é o axeitado, débese tamén proporcionar fertilizante aos cultivos, polo que ao longo do curso afondarase sobre os tipos que hai e os que mellor se adaptan para cada lugar e para cada cultivo. Reducir, reutilizar e reciclar, os tres 'R' para manter unha horta sustentábel O curso de horta Mans á terra achegará en cada fascículo un consello diferente para aproveitar ao máximo os materiais que a lectora e o lector teñan na casa, xa que nestas 17 leccións non se trata de crear un horto perfecto, fermoso, estético e "de revista", senón que se trata de que cadaquén se anime a probar a cultivar os seus propios alimentos na casa, investindo moi poucos cartos e reutilizando ao máximo materiais que se poidan atopar ao redor. Unha pequena proposta é comezar a gardar envases de obxectos que se empreguen decotío, como iogures, botellas de auga, garrafas, tapóns ou os roliños do papel hixiénico. En abril este curso descubrirá como comezar a dar a eses obxectos un novo uso e unha nova vida. Este novo coleccionábel distribúese conxuntamente con Nós Diario durante 17 entregas, entre 1 e 30 de abril de 2021. Se aínda non es subscritora ou subscritor, non dubides en adherirte canto antes! Non vaias perder a oportunidade de aprender paso a paso a levar a túa horta!
NOS_29888
O si á pergunta de se Catalunya debe ser un estado independente volta a superar o non no inquérito do Centre d'Estudis d'Opinió, un instituto público dependente da Generalitat. A sondaxe fíxose despois das eleccións do 26 de xuño.
Á pergunta directa de "se queres que Catalunya se converta nun Estado independente" responderían afirmativamente neste momento o 47,7% das persoas inquiridas, face un 42,4% de negativas, un 8,3% de "non sabe" e un 1,7% de "non contesta". A evolución do bloco independentista sería positiva, sendo que no último inquérito, realizado en marzo, rexistouse un práctico empate técnico: 45,3% a favor e 45,5% en contra. Os dados contrastan vivamente co que o eleitorado catalán acaba de votar o 26X, na segunda volta das eleccións ás Cortes Xerais do Estado. Neses comicios o voto formalmente independentista apenas acadou no seu conxunto o 32,09%, resultado da adición do 18,17% de ERC e o magro 13,92 da outrora todopoderosa Convergència, agora rebaptizada como Partit Demòcrata Català. As percentaxes das forzas que son contrarias á independencia ficaron así: 24,51% de En Comú Podem, 16,12% de PSC, 13,36% do PP e 10,93% do Cs. O 30,5% do eleitorado de Catalunya sí que es pot declara o seu apoio á independencia Mais a realidade sempre é máis complexa e os estudos sociolóxicos mostran que os eleitorados de independentistas e unionistas non son estancos. Así, de acordo con este inquérito, o 30,5% das persoas que nas anteriores eleccións ao Parlament de Catalunya votaron Catalunya sí que es Pot se declaran independentistas, percentaxe que acadaría o 7,8% das e dos eleitores do PSC. Como cabía agardar as cifras son moito inferiores entre as e os apoiantes do PP (3,8%) e Cs (3,5%). Nova vitoria de JxSí O inquérito predí unha nova vitoria de Junts pel Sí (coligazón de ERC e Partit Demòcrata Català) na eventualidade dunhas novas eleccións. Estaría entre os 60 e os 62 escanos, actualmente ten 62 parlamentares. Daría un grande chouto Catalunya sí que es pot, que deviría na segunda forza do Parlament e transformaría os seus actuais 11 escanos en practicamente o duplo, entre 20 e 22. Caería, portanto, Cs, que podería chegar a ceder até 7 actas, ao pasar das 25 actuais a un abano entre 18 e 21. PSC e PP voltarían a mostrar a fidelidade das súas parrouquias: PSC, entre 16 e 17 (ten 16) e PP, entre 11 e 12 (11). Capítulo aparte merece a CUP, que pagaría peaxe pola súa conflituosa vida interna. Os seus actuais 10 escanos ficarían en 6 ou 8.