ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_15213
Ás portas do escenario electoral máis aberto das últimas catro décadas asistimos á desaparición da problemática galega no temario de campaña. Unha campaña que xira ao redor do eixo PSOE/PP-Ciudadanos-Vox e onde o medo á extrema dereita silencia as propostas programáticas centradas na Galiza.
A posta nun segundo plano das propostas programáticas referidas a Galiza na precampaña electoral responden, por parte das forzas de obediencia estatal, a unha decisión táctica sobre os eixos argumentais nos que tentan centrar o seu discurso. A renuncia a confrontar opinións e formular alternativas aos grandes problemas galegos evidencia a vontade de apartar o país da axenda política nun momento en que Galiza enfronta grandes dificultades derivadas de decisións gobernativas de competencia estatal. A destrución de emprego e o desmantelamento do sector industrial de carácter electrointesivo, da que é significativa a situación que padecen as traballadoras e traballadores das plantas de Alcoa; os déficits en materia de infraestruturas -entre elas a estafa da AP-9 ou as carencias ferroviarias- o rexeitamento de transferencias vitais para unha mellora dos servizos -como o salvamento marítimo ou tráfico- son exemplos evidentes da fenda aberta entre as prioridades dunha parte das forzas políticas e da sociedade galega, que segue a cargar coa mochila dos salarios e das pensións máis baixas e coa electricidade -malia ser un territorio exportador e soportar o espolio dos recursos naturais- e o gasóleo -malia aturar a contaminación provocada por unha das escasas refinarías que hai no Estado- máis caros. As terminais galegas dos partidos madrileños decidiron, máis unha vez, que o temario da precampaña electoral no país sexa unha réplica dos seus argumentarios xerais, convertidos nunha sorte de doutrina do shock en versión castiza. A experiencia da última lexislatura, onde o investimento estatal se reduciu de xeito ostensíbel no país -Galiza foi o territorio onde máis caeu o investimento do Estado nos orzamentos de 2019, un 19%-, malia a ausencia de maiorías absolutas, certifica que un congreso bipolarizado entre un bloque de dereitas, máis ou menos próximo a posicións protofascistas, e un bloque de centro esquerda, nesta ocasión hexemonizado con claridade polo PSOE, non dá resposta aos problemas e demandas da Galiza. As enquisas, armas de guerra electoral As enquisas demóstranse fundamentais á hora de certificaren cunha pretendida neutralidade científica os escenarios electorais que interesan aos grupos económicos, políticos ou mediáticos que as financian ou encargan. Abonda con reparar nos dados dos últimos procesos electorais para caer na conta duns estudos de opinión que fracasaron de xeito xeralizado nos seus prognósticos. Así, por exemplo, nas eleccións galegas de 2016, a totalidade das sondaxes e trackings divulgados polos medios de comunicación negaban a posibilidade de que o BNG acadase grupo parlamentario na cámara do Hórreo, chegando a adiantar algunha delas que a formación nacionalista non acadaría representación. Outro tanto aconteceu nos comicios andaluces, onde as enquisas de xeito unánime confirmaban a continuidade na presidencia da autonomía da candidata do PSOE Susana Díaz e non anunciaron en ningún caso -mesmo naquelas que se filtraron na última semana de campaña- a posibilidade do tripartito de dereitas que rematou por imporse. [Podes ler a análise íntegra no número 340 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_21183
Lémoslle os libros, mais descoñeciamos a súa letra. O crítico Ramón Nicolás ofrece no seu blogue "Cadernos da crítica" a posibilidade de coñecer a letra de quen escribe a nosa literatura. Son os "Manuscritos".
Ao pegar nun libro, unha novela, ou un poemario, case xa non evocamos a xénese, o instante no que o autor ou autora escribiu as primeiras palabras. A man, a maior parte das veces. A ese momento remítese o crítico Ramón Nicolás que botou a andar hai un ano a sección "Manuscritos" e agora conta cun singular arquivo que nos ofrece as letras de quen escribe a través da rede, un mundo que, en certa medida, contribuíu á perda de vista da caligrafía. A sección de "Caderno da crítica" é singular na súa definición e única no noso ámbito. Trátase dun arquivo dixital cada vez maior que nos mostra a caligrafía dos nomes da literatura, achéganos ao seu cuarto de escrita, aos papeis nos que bosquexan as súas obras ou mesmo escriben o que logo sairá impreso. Conviven documentos de autores que xa non están cos cadernos de libros recén publicados ou mesmo coas probas de imprenta corrixidas de quen xa non escribe a man máis que anotacións a pé de páxina. "Aprécianse distintas sensibilidades. Hai autores que seguen mimando a letra e outros que abandonaron xa a escrita a man. De todas maneiras, sorprendeume a cantidade de autores novos que seguen a escribir en cadernos" comenta Ramón Nicolás, e abonda dar unha volta pola sección para atopar moleskines agarimadas das que saen relatos e novelas. Dos cadernos de Riveiro Coello, María do Cebreiro Rábade, Fina Casalderrey ou Elizabet Espinosa aos folios impresos saídos do computador corrixidos a man por Jaureguizar.As imaxes son abondo evocadoras. Aí está a letra feita a man nas fotografías tiradas para que a letra saia na pantalla, de maneira ben distinta á arial ou times que o procesador ofrece. "Certamente hai algo inquedante ver a letra manual escrita na pantalla. Trátase, en certa medida, dunha faceta máis íntima e humana de quen escribe" explica Ramón Nicolás, que engade á imaxe do manuscrito un texto arredor da escrita e os hábitos á hora de crear, ás veces con confesións da persoa protagonista. "As miñas rutinas de escrita son homologables ás de calquera outra actividade. Escribo decotío, a maiores do xornalismo, literatura. Empezo sempre na mañanciña escura despois de prender o Spotify" lese na entrada dedicada a Jaureguizar.Ramón Nicolás convidou un bo número de autores e autoras a participar no proxecto. A resposta foi xenerosa e cada vez recibe máis mostras dese primeiro encontro coa creación, antes de pasar o proceso editorial que leva os textos aos futuros lectores. Na súa calidade de crítico e investigador a iniciativa permítelle xogos. Comprobar, por exemplo, as semellanzas entre a xénese e o que logo sae impreso en libro. Atopou, pon por caso, algúns parágrafos dos cadernos de María López ou María Reimóndez que foron publicados sen modificacións nos seus libros impresos. Poemas a man Canda a nova xeración da nosa literatura, Ramón Nicolás vai introducindo no seu arquivo dixital exemplos de manuscritos de autores que son xa clásico. As páxinas de Uxío Novoneyra, son un exemplo. Un poeta, por outra parte para quen a escrita a man toma parte do feito literario nos seus poemas caligráficos.Comproba Ramón Nicolás que a poesía séguese escribindo máis a man e, mália o computador entrar con forza na construción literaria, os bocexos, os primeiros debuxos do que será unha obra nova, continúan a facerse en boa parte con bolígrafo ou pluma. Cos comentarios recibidos achega información sobre o proceso de creación, a elaboración mecánica e imaxinativa das obras. Tamén, nalgúns casos, do mesmo tránsito que supuxo a aparición dos computadores na creación literaria, e mesmo, como na explicación de Xavier Alcalá, o paso intermedio pola máquina de escribir, esa xa grande esquecida.
NOS_45899
O Boletín Oficial do Estado (BOE) vén de recoller a inscrición de Ence Biogás, unha nova filial de Ence coa finalidade de se especializar na produción deste recurso enerxético que ten no eucalipto unha das súas principais fontes de xeración. Precisamente, nesa mesma xornada, Feixoo apostou polo investimento público na promoción da industria forestal de biomasa.
O BOE recolleu na quinta feira a inscrición mercantil dunha nova filial de Ence, nomeada como Ence Biogás, no que supón un paso máis nos plans desta empresa para o "crecemento en enerxía renovábel". Ancala Partners, socio de Ence, adquire concesións para a xestión de incendios na Galiza en plena vaga de lumes Segundo explicou o Presidente e Director Executivo de Ence, Ignacio Colmenares, a estratexia da empresa é a de aproveitar as actuais "oportunidades vinculadas á xestión da enerxía, os biocombustíbeis, o biogás e o almacenamento", ao tempo que, a través da súa outra filial, Magnon Green Energy, "o grupo seguirá focalizado na súa liña principal de proxectos de biomasa e fotovoltaica". Por outro lado, a venda en 2020 de até 49% das accións do grupo de empresas Ence Energía ao fondo de investimento británico Ancala Partners (o mesmo que vén de adquirir a xestión de gran parte dos helicópteros para a extinción dos incendios na Galiza após a operación de compra de activos da tamén británica Babcock) supuxo a revalorización do conglomerado empresarial de Ence Energía até os 880 millóns de euros, un grupo que é, na actualidade, o maior xerador de enerxía a partir de biomasa forestal e agrícola no Estado español. Eucalipto e biogás O biogás é empregado como substituto do gas natural e, para a súa produción, realizase con biomasa, principalmente a procedente de terras agrarias e forestais, de residuos orgánicos de orixe animal e doméstico e dos cultivos enerxéticos. A política forestal "á carta" de Ence deixa 25% do arboredo galego para o eucalipto Os cultivos enerxéticos son aqueles cultivados exclusivamente para a produción de enerxía por combustión para despois ser transformados en combustíbeis sólidos, líquidos ou gasosos, como pellets, bioetanol ou biogás. Feixoo sinala a industria forestal como solución Pola súa parte, o presidente do Partido Popular estatal, Alberto Núñez Feixoo, apostou pola promoción da industria forestal nos montes como solución ás vagas de fogos que se están a producir, nunha palabras pronunciadas en València no mesmo día no que o BOE recollía a inscrición de Ence Biogás. "O fundamental é que o monte teña valor", dixo Feixoo, "e darlle valor supón investir en industrias forestais que poñan en valor os bosques para que os bosques sexan coidados", proseguiu. "Isto significa máis industria forestal de biomasa, máis industria forestal de fibras téxtiles e máis industria forestal en definitiva", afirmou. Ence e Reganosa, incluídas polo Goberno galego no Fondo de Transición Xusta Ence e o PP apostan en pór o monte galego ao servizo da produción de biomasa, para a que os eucaliptos e outras especies en monocultivo xogan un papel fulcral. Á súa vez, a biomasa supón a materia prima para a fabricación de biogás. Nun contexto internacional no que se buscan alternativas ao gas natural e no que a produción enerxética supón un dos primeiros problemas xeopolíticos, os recursos naturais galegos aparecen unha vez máis no albo de Ence.
NOS_35162
A forza de esquerdas mantense como principal favorita para os comicios que terán lugar o 25 de xaneiro e malia as presións internacionais só perdeu 0,3 puntos de favor desde a convocatoria das anticipadas, das que están moi pendentes os poderes europeos.
A coalición de Esquerda Syriza avantaxa en 3,1 puntos porcentuais aos seus adversarios segundo unha enquisa publicada este domingo sobre as eleccións anticipadas en Grecia que anunciou esta semana o primeiro ministro Antonis Samaras. A enquisa dá a Syriza un apoio do 30,4 por cento fronte ao 27,3 por cento dos conservadores de Nova Democracia, a formación de dereitas de Samaras, o que supón unha lixeira redución desde os 3,4 puntos de vantaxe da mesma enquisa anterior. A sondaxe tivo lugar entre o 29 e 30 de decembro, é dicir, após coñecerse que o candidato á Presidencia elixido por Samaras non obtivera a aprobación do Parlamento, o que desencadeou a anticipación das eleccións ao 25 de xaneiro. Alemaña Por outra banda, diversas informacións aseguran que o Goberno alemán considera que Grecia podería abandonar o euro sen danar os intereses dos países máis poderosos da Unión Europea en caso dunha vitoria de Syriza, malia que FMI e outros poderes económicos xa ameazaron con fortes problemas para o país en caso de triunfo da forza de esquerdas.
NOS_52324
A formación nacionalista aproba unha proposta de resolución na que se solidariza co pobo palestiniano, denuncia a pasividade da comunidade internacional e convoca a manifestacións nas cidades galegas esta segunda feira ás 20 horas.
O Consello Nacional celebrado esta fin de semana aprobou por unanimidade unha seguinte proposta de resolución na que "amosa a súa solidariedade do pobo palestino e condena tallantemente a agresión israelí que estes días está a bombardear a faixa de Gaza e asasinando poboación palestiniana". Os ataques destas últimas horas contra a poboación de Gaza deberían ter, segundo o BNG, unha reacción máis contundente da "chamada comunidade internacional". Neste sentido denuncian a súa pasividade "nun momento no que se vai votar na ONU o novo estatuto de Palestina e en xaneiro haberá eleccións en Israel". "Israel volve empregar o sangue inocente dos palestinos nas súas compañas políticas" sinala a proposta nacionalista. O BNG insta ao goberno de Rajoy a "non permanecer indiferente, a condenar estes ataques do Estado israelí e a defender activamente unha solución política e xusta para ese conflito". Concentracións en Galiza Como noutras ocasións, o BNG chama á cidadanía "a manifestarse contra estas agresións e en defensa do que é xusto: o Estado palestino". Por este motivo convocou concentracións en todas as cidades galegas esta mesma segunda feira ás 20 horas.
NOS_31680
Iván Olmos encabeza a candidatura de En Marea por Ourense "co obxectivo de sermos quen de levar a voz dos ourensáns e as ourensás ao Congreso" e para pór enriba da mesa "os problemas máis relevantes da nosa sociedade: a despoboación, o noso sector agrogandeiro, o noso medio rural, as nosas infraestruturas...". Olmos naceu en Xinzo en 1994 e é graduado en Comunicación Audiovisual pola USC, con estudos en Ciencia Política e da Administración e mestrado en Administración e Dirección de Empresas. Exerce como director de comunicación e marketing dunha empresa tecnolóxica galega. Responde por correo electrónico o cuestionario formulado por Sermos Galiza.
Que se xoga o pobo galego nas vindeiras eleccións do 28A? Nun momento de enorme volatilidade política e no que se han tomar decisións que afecten á propia reconfiguración do Estado, o pobo galego xógase o seu estatus como país neste proceso. Precisamos definir o papel xeopolítico que ha xogar Galiza nas vindeiras décadas. Temos que aspirar a ser un motor atlántico en Europa Temos que aspirar a ser un motor atlántico en Europa e a nos constituír como muro de contención fronte aos intentos de recentralización do Estado. E temos que facelo mediante un proxecto amplo e aglutinador pero sen tutelas. Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza? Coido que foi unha lexislatura na que se fixo moito menos do que se podería. As dinámicas das forzas estatais dificultaron en moitas ocasións que algunhas demandas da cidadanía galega puidesen estar máis presentes no debate político estatal. Un bo exemplo foi o proxecto de orzamentos xerais do Estado aos que En Marea dixo non fronte ao PSOE ou a Podemos, pois entendiamos que supoñían un maltrato ao noso país. En Marea dixo non aos orzamentos xerais do Estado pois supoñían un maltrato ao noso país Hai que destacar o papel da deputada Alexandra Fernández, por exemplo, na defensa da dignidade do noso país na comisión do Alvia, que foi quen de non só evidenciar a responsabilidade política do Ministerio de Fomento e do goberno do Estado, senón de poñer tamén ao descuberto a verdade do maior accidente ferroviario da historia do noso país. Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza? A primeira, sen dúbida, a despoboación e o abandono do rural, especialmente no interior do país, que ha ser abordado de xeito transversal garantindo servizos públicos de calidade e proximidade. A segunda, a falta de expectativas de futuro para a nosa mocidade, da que formo parte, e que nos empurra a unha emigración forzosa. E a terceira, a falta de investimentos infraestruturais encamiñados á vertebración territorial do noso país. Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso? Coido que un excelente referente é o traballo desenvolto por Alexandra Fernández nos últimos tres anos, a pesar da tutelaxe. Mais sitúo tamén como referente, aínda non sendo galegos a deputados como Joan Tardá ou Aitor Esteban, cada un no seu contexto. Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso? A provincia de Ourense ven de perder máis de 30.000 habitantes na última década. O rural desángrase e as mozas coma min seguimos emigrando. Impulsaremos un plan estatal para o retorno da mocidade emigrada e trataremos de blindar os servizos públicos de proximidade por lei. Como ve as opcións de En Marea na cita electoral? Vemos esta cita electoral coa ilusión e o optimismo propios dunha nova marea sen tutelas e cos pés, o corazón e a cabeza no país. Coido que as galegas e galegos saberán valorar a coherencia deste proxecto nos últimos meses e que teremos representación nas catro provincias.
PRAZA_19832
O conselleiro de Cultura ábrese a "algún cambio dentro do marco legal", pero sen mudar este, e considera que a polémica sobre o elenco de Martes de Carnaval, que se estrea este xoves, é "positiva" para a montaxe
As polémicas dan visibilidade e Valle-Inclán, o creador do esperpento, estaría contento de que estas arrodeen a estrea este xoves por parte do Centro Dramático Galego (CDG) da súa obra Martes de Carnaval. Esa podería ser unha das conclusións da rolda de prensa de presentación da montaxe na que este martes o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, amosou a súa disposición a realizar algún cambio no proceso de selección dos elencos por parte do CDG pero sempre "dentro do marco legal" que o levou a convocar un concurso público similar ao que se esixe para contratar funcionarios, que estivo salpicado de diversas irregularidades e que para varios artistas limitou o seu traballo creativo. O conselleiro de Cultura ábrese a "algún cambio dentro do marco legal", pero sen mudar este, e considera que a polémica sobre o elenco de Martes de Carnaval, que se estrea este xoves, é "positiva" para a montaxe Ao conselleiro de Cultura preguntóuselle este martes se á vista de que o procedemento legal para a selección de actores e actrices non respondeu nin ás necesidades artísticas nin ás legais, o seu departamento estuda impulsar algunha reforma legal para mudar ese procedemento no futuro. A resposta de Rodríguez foi que, logo de recibir peticións nese sentido do sector, a consellería está aberta a estudar "algún cambio dentro do marco legal" para facelo máis "flexible". Pero insistiu en varias ocasión en que "hai un marco legal que debemos cumprir" e que "non se lle pode pedir a unha administración que salte o marco legal". Nada dixo o conselleiro da posibilidade pola que se lle preguntaba directamente de que a administración e os seus dirixentes políticos impulsen unha modificación dese marco legal. Para Rodríguez, o CDG e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadi), da que depende, son "ente de dereito público sometido a uns controis para evitar arbitrariedades". "Se é unha compañía pública, o é para todo", engadiu, logo de asegurar que a polémica non cuestiona "a calidade artística" dos actores e actrices finalmente elixidos. Unha polémica que para o conselleiro axudará a dar visibilidade á representación do CDG. "Todo o que xera expectativas, ruído, axuda a que se enfoque máis a atención" e "iso é positivo", sentenciou. Unha visión que tamén comparte, nun texto de presentación da montaxe, a directora do CDG, Fefa Noia, que salienta a importancia de que Valle-Inclán siga a despertar polémicas de todo tipo en Galicia e estea "na boca de todos". "Permítanme ir un pouco máis aló e imaxinar a un Valle desgonzado [...] rindo a cachón entre caixas por ter sido capaz de abrir de novo a caixa de Pandora dos dixomedíxomes", chega a dicir. "Todo o que xera expectativas, ruído, axuda a que se enfoque máis a atención" e "iso é positivo", di o conselleiro Este xoves, ás 21 horas no Salón Teatro de Santiago, a polémica dará paso ao esperpento e Martes de Carnaval converterase na primeira montaxe de Valle-Inclán en galego por parte do CDG agora que veñen de quedar liberados os dereitos sobre a súa obra que impedían a tradución. A representación está formada por dúas pezas, As galas do defunto, ambientada no 1898 no que a pensou Valle-Inclán, e A filla do capitán, situada no 2017 actual co que a directora quixo establecer paralelismos. "A historia que ao principio parece lonxana vaise acercando", salientou Marta Pazos, directora da montaxe. Unha posta en escena que para Fefa Noia "non nos vai deixar indiferentes", con dez actores e actrices que chegan a representar 60 personaxes distintas con 80 mudanzas de vestiario. A representación xirará por Galicia ata xuño e volverá a Santiago en xullo Logo da estrea deste xoves, Martes de Carnaval permanecerá en Santiago ata o domingo día 23 en sesións convencionais e do luns 23 ao xoves 27 para funcións escolares, e logo xirará por Galicia: Tui (5 de maio), O Barco de Valdeorras (12 de maio), Ourense (19 e 20 de maio), A Coruña (2 e 3 de xuño), Rianxo (9 de xuño), Pontevedra (15 de xuño) e Vigo (22 de xuño). Polo medio, o 11 de xuño representarase en Valencia no Festival Tercera Setmana. E volverá a Santiago do 28 de xuño ao 16 de xullo.
NOS_8778
A "tournée" galega de Calvo Sotelo e José Antonio.
Recapitulemos. O 28 de xaneiro de 1930 Miguel Primo de Rivera dimite entre múltiples presións; falecerá seis semanas despois. Berenguer e Aznar presidirán os Gobernos dunha monarquía en descrédito. Foi, nos dicires populares, a "ditabranda". Pretendían o imposíbel, retornar a unha "normalidade constitucional" que Primo e Alfonso XIII liquidaran en 1923. Non souberon que facer, non convocaron constituíntes, como pedía a oposición republicana e a dos "monárquicos sen rei", porque non tiñan partidos nos que apoiarse. O da ditadura, reconvertido en Unión Monárquica Nacional (UMN) non só non lles prestou auxilio senón que pretendeu ocupar ese espazo ante unhas hipotéticas eleccións que non se convocaron ata abril de 1931, e foron municipais. A fronte da reconvertida UP, puxéronse un triunvirato formado polo conde de Gaudalahorce, un enxeñeiro, ministro de Primo; o célebre cerebro do Goberno da ditadura, o tudense Calvo Sotelo e o ínclito avogado José Antonio ao que movía a defensa do luxado honor paterno. Despois de asinarse o Pacto de San Sebastián (17/8/1930) lanzaron unha intensa campaña propagandística. Comezaron a "tournée" polo noroeste; coidaban que a terra natal de Calvo lles ía ser propicia, co apoio de determinados medios (El Ideal Gallego, La Región). O arranque foi en Noia. Recibíronos cunhas follas que non foron do agrado de Calvo e este desbocouse, entrou ao trapo e parte do público contestoulle con chanzas. Algúns asistentes pediron que falase José Antonio, pero non o fixo, aducindo que estaba afónico. Unha república entre a luz e a sombra A xira batía cada día con incidentes: piñeiros atravesados na estrada, mozos con pancartas, pelexas de rúa na que interviñan os propios oradores, asubíos enxordecedores, carteis pendurados dos balcóns.... A medida que a tournée avanzaba, a tensión ía en aumento, tanto pola situación social e incerteza política como pola resposta dos republicanos e dos centros obreiros das localidades pero, en especial, pola actitude provocadora dos "upetistas" reconvertidos. As persoas concentradas á entrada e saída de mitins e banquetes, ían en aumento, agora armadas de sonoros chifres, presadas de patacóns, gorxas poderosas, folletos abundantes, algún que outro coio e moitos bastóns. Non podemos deternos en detalle. Os incidentes empezaron a tomar unha dimensión ameazadora na Coruña; labazadas por todos os lados e varios feridos, aínda que non de moita consideración. En Ourense houbo boas agarradas. Onde se descontrolou foi en Lugo. Despois da tensión das xornadas anteriores, a comitiva agardou tres horas nas aforas da cidade para ver se a moita xente concentrada diante do hotel Méndez Núñez e na rúa da Raíña cansaba. Por fin decidíronse. Os coches do séquito tiveron que pasar entre o xentío que os apupaban. Ao de Calvo caeulle un bastonada que lle escachou o parabrisas, algunhas informacións din que el mesmo levou outra no lombo ao saír o coche. Enrabiado, di El Pueblo Gallego, tirou de pistola para facer uso dela contra o coro de "faz tabernaria", como lle chamou en Ourense, pero os seus propios colegas se lle botaron enriba para impedirllo. Os asubíos, berros e croiazos foron en aumento, as cristaleiras do café escachadas, as vidreiras do hotel esnaquizadas. Na turbamulta alguén disparou, seica un garda de Seguridade, din que soaron máis de cen disparos. A José Traseira, cabo do cuartel de recrutas de Lugo, unha bala atravesoulle as dúas pernas e a José Silvosa Blanco un balazo na coxa partiulle o fémur; outro fracturoulle un dedo a Ramón Lugilde Ríos. Houbo tamén catro gardas de Seguridade con feridas leves. O despregue da Garda Civil, a pé e a cabalo, non amainou os ánimos. Un rapaz de doce anos, vendedor de El Pueblo Gallego, Manuel Carreira, ficou ben magoado nun pé; outro tiro partiulle a tibia a Ángel Fernández Martínez, un mozo de Friol de 22 anos e os feridos polos golpes de sabre dos gardas foron moitos. Os comercios pecharon de inmediato, o centro obreiro chamou a abandonar o traballo e a masa enrabiada pretendeu entrar no hotel. Dúas horas despois, Calvo, Primo e os seus acompañantes, por orde do gobernador, abandonaron o hotel protexidos por un tenente da Garda Civil. Os coches a lume de carozo non pararon ata Tapia. Alí, seica, os seus ocupantes se fixeron pasar por contratistas de obras. O semanario Progreso de Pontevedra titulaba "Galicia mató a la UMN". O artigo (6/9/1930), asinado por José Carbonell Alsina, cualificaba a excursión política" como "imprudente". Ao inicio da mesma (29/8/1930) en El Pueblo, Ramón Vilar Ponte consideraba a viaxe como unha provocación á que cumpría contestar pois: "Faise preciso que (...) o nome de Galiza apareza ben situado pola actitude resolta, firme e contundente de todol-os que nos chamamos bos galegos". Despois de axustarlle as contas a Calvo, conclúe: "Compre agora que a Galiza, por medio dos seus escolleitos lle faiga decatarse ao Calvo de qu'eisiste, que vive, que n-ela aínda hai azos de abondo para non tolerare a descarada actuación dos desleigados".
PRAZA_17599
Os ribadenses son agradecidos cos devanceiros que suaron forte no outro lado do mar sen esquecer que as raíces estaban nas parroquias de Arante, Cedofeita, Couxela, Covelas, Devesa, Ove, Ribadeo (Santa María), Rinlo, Santalla, Piñeira, Vilaframil e Vilaselán.
Os que leven anos sen ir a Ribadeo quedarán sorprendidos coas melloras neste concello da beira do Eo. Hai moitas casas restauradas e rúas e prazas ben coidadas. A actividade comercial mantén bo ritmo e as fins de semana abondan os viciños astures que veñen dar unha volta pola vila. Hai xa cinco anos que durante tres días celebran a festa do "Ribadeo Indiano" que cumpre co obxectivo de recuperar o pasado da emigración americana ao tempo que axuda a manter a identidade local. Os ribadenses son agradecidos cos devanceiros que suaron forte no outro lado do mar sen esquecer que as raíces estaban nas parroquias de Arante, Cedofeita, Couxela, Covelas, Devesa, Ove, Ribadeo (Santa María), Rinlo, Santalla, Piñeira, Vilaframil e Vilaselán. Que os ribadenses apoian a celebración é un feito evidente. Semella que os arredores do porto e a praza dos irmáns Moreno sexa o malecón habaneiro ou os rosedais porteños de Palermo ou a montevideana rúa Sarandí dos comezos do século pasado. Infinidade de ribadenses locen con elegancia a roupa coa que no verán os americanos alumeaban enriba dos escuros e habituais grises. O alcalde ía de punta en branco e tamén os moi cordiais membros do equipo de goberno. Os actos culturais e as actuacións reciben o aplauso de milleiros de asistentes. Está moi ben organizado. Hai actividades en múltiples espazos que dan vida aos comercios locais. Nesta edición estivo en Ribadeo un convidado do Uruguai que actou de fronte ao busto de "El Viejo Pancho" que é igual ao instalado na capital uruguaia a pouca distancia da sede consular española. O escultor foi o famoso Xosé Luís Zorrilla de San Martín (o pai da actriz China Zorrilla) que é moi coñecido polo seu homenaxe en bronce ao Gaucho. Enriba do escenario e só cunha guitarra estivo Diego Berardi. Foi moi emocionante a súa actuación. Diego é, ademais de gran figura do carnaval montevideana, tamén algo galego xa que o seu fillo maior naceu na Coruña. Fixo unha didáctica explicación sobre a música do carnaval máis longo do mundo (corenta días) con cancións que fixeron bailar a ribadenses e uruguaios alí presentes. Rematou cantando "A Rianxeira" e "Apaga o candil" a ritmo de murga (comparsa que se inspira nas agrupacións gaditanas) co coro de centos de persoas que o aplaudimos forte. Grazas, prezado Diego. Coido que despois desta edición haberá máis ribadenses siareiros da República Oriental do Uruguai que van querer achegarse a lareira que o seu paisano Xosé Alonso acendeu nun lugar chamado Tala. O concello de Ribadeo viaxa polo mundo adiante na voz do inmortal Carlos Gardel que gravou catro poemas de Alonso. Os que desexen máis información poden achegarse polo Consulado Xeral do Uruguai en Santiago de Compostela. Por mor dun inoportuno accidente non puido estar en Ribadeo a señora Arcaus Sánchez, a titular da legación, que empurra forte para promocionar a riqueza humana e natural da terra onde naceu o egrexio Artigas. Os que estiveron foron Fernando (o canciller) e Francisco (xefe administrativo) que son dous piares de calidade para difundir os valores éticos da acolledora Banda Oriental. Os que o desexen, antes de vir a Santiago, poden falar co moi culto amigo Lalo que sabe moito de Montevideo e dos emigrantes. E agora unha recomendación gastronómica para os amantes da boa carne na grella. En "La Quinta" tedes un asado no seu punto e co mellor chimichurri de Galicia xa que é preparado pola man montevideana da señora Martínez Porto. Viva Ribadeo! ¡VIVA EL VIEJO PANCHO! Publicidade
NOS_48949
O Ministerio español de Agricultura notificou a diversas familias de Vilavella (Triacastela) a abertura de expedientes sancionadores polo uso de auga procedente do río Teixido.
O expediente iníciao a Confederación Hidrográfica Miño-Sil após denunciaren axentes do Seprona (Garda Civil) e Cementos Cosmos a "derivación de augas" do Teixido "sen concesión administrativa" por parte da veciñanza de Vilavella en Triacastela. O uso desa auga responde, segundo recolle a propia notificación administrativa, a usos agrarios para o rego dunha "parcela" sita no propio termo. Porén, amparándose na Lei de Augas e o regulamento de dominio público hidráulico (1986) coida unha "infracción leve" o aproveitamento desta auga e fixa como "sanción aplicábel" até 10 mil euros de multas. Os textos foron remitidos desde o goberno español a varios domicilios da parroquia que contan cun prazo de 10 días para presentaren as súas alegacións e probas. Auga para unha cementeira mais non para regar as leiras A sanción que prevé impor o Ministerio de Agricultura á veciñanza de Vilavella que usou auga do Teixido para regar as súas leiras baséase na concesión que lle foi outorgada a Cementos Cosmos S.A. para fins industriais e que converten a empresa cementeira en propietaria do río. Denuncian que a Conferencia Hidrográfica "non atendeu aínda ningunha das denuncias feitas polos veciños polo corte e destrución do cauce" ou "verquidos sen autorización" de Cosmos Segundo algunhas das persoas ás que lle foi remitida a sanción a veciñanza descoñecía a existencia desta concesión que "prevalece", afirman, "sobre o secular uso agrícula" das augas do Teixido polo que "continuou a regar como toda a vida os prados da ribeira de devandito río". Neste senso, denuncian que a Conferencia Hidrográfica que os sanciona é a mesma que "non atendeu aínda ningunha das denuncias feitas polos veciños polo corte e destrución do cauce, verquidos sen autorización, moitos deles altamente tóxicos, usurpación do dominio público hidráulico e dos propios recursos hídricos, captacións ilegais de mananciais... que realiza Cementos Cosmos", afirmaba Marcos Celeiro na súa conta de Facebook após coñecer o contido do expediente sancionador aberto desde Agricultura, entre outras, á súa familia. O conflito entre Cementos Cosmos e a veciñanza de Triacastela non se limita ao río Teixido. A cementeira denunciou o propio Celeiro por un suposto delito contra a honra da empresa que atribúen á súa acción social contra a canteira que posúe en Vilavella e que prexudica os restos arqueolóxicos máis antigos do Noroeste peninsular, a Cova Eirós.
PRAZA_7522
A Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria vén de presentar un informe que sinala o perigo duns neurotóxicos relacionados coa nicotina chamados neonicotinoides. O 85% da produción de alimentos e das especies de plantas dependen do labor polinizador das abellas.
Varios estudos de primeiro nivel xa o sinalaran e agora a Unión Europea confírmao: os pesticidas son un risco para as abellas. En concreto, uns pesticidas neurotóxicos relacionados coa nicotina chamados neonicotinoides, cuxo uso está moi estendido nos campos de cultivo de todo o mundo. Algúns países de Europa xa limitaran o seu uso para non prexudicar as abellas, pero o informe presentado pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA polas súas siglas en inglés) sinala o camiño para que a Comisión Europea actúe dalgún modo contra estes insecticidas. Países como Francia, Alemaña e Italia restrinxiron o uso dalgúns destes neonicotinoides porque consideraban que era unha ameaza real para as colmeas Tanto en Europa como en moitos outros lugares a incidencia destes praguicidas na saúde das abellas leva xa moito tempo sendo un motivo de preocupación. Países como Francia, Alemaña e Italia restrinxiron o uso dalgúns destes neonicotinoides porque consideraban que era unha ameaza real para as colmeas. En concreto, a EFSA centrouse en tres produtos (tiametoxam, imidacloprid e clotianidina), avaliando os seus efectos en determinados puntos de contacto coas abellas, recomendando que se limite o seu uso en determinados cultivos, sementes e escenarios. Por exemplo, a autoridade europea considera inaceptable o uso destes pesticidas sobre cultivos onde o pole e o néctar sexan atractivos para as abellas. Os abellóns morren o dobre ao exporse a unha combinación de pesticidas comúns como neonicotinoides e piretroides e ven minguada a súa capacidade para a recolección de alimentos En marzo de 2012, a revista Science ofreceu evidencias consistentes sobre os danos que estes pesticidas comúns poderían estar a causar. Dous estudos, conducidos en Francia e o Reino Unido, relacionaban trazas destes axentes pesticidas en néctar e pole de flores coa diminución do tamaño das colmeas e unha grave diminución na produción de raíñas en colonias de abellas e abellóns. Tras a publicación destes traballos, a Comisión Europea reclamoulle á EFSA que estudase os resultados e ofrecese unha avaliación sobre os riscos dos neonicotinoides en canto ao seu impacto na saúde das abellas para poder ditaminar en consecuencia. Aínda que se esperaba para decembro, o informe non estivo listo até hoxe. Outro estudo, esta vez publicado en Nature, ofreceu novas claves en outubro para entender como prexudican estes praguicidas as colonias de polinizadores. Os abellóns morren o dobre ao exporse a unha combinación de pesticidas comúns como neonicotinoides e piretroides e ven minguada a súa capacidade para a recolección de alimentos, segundo este traballo da Universidade de Londres. En moitos casos, as abellas intoxicadas morren ao regresar á colmea, pero noutros moitos os insecticidas provocan que a abella non sexa sequera capaz de volver ao desorientarse. A síndrome de despoboamento de colmeas, que en España mata o 25%-30% das abellas cada ano, é un problema multifactorial Ao redor dun terzo das abellas dunha colonia sae ao campo a por comida e exponse a estes praguicidas, e a súa perda ás veces dana mortalmente as colmeas, moi tensas por culpa doutros factores coma o clima, as enfermidades e a escaseza de alimento. A síndrome de despoboamento de colmeas, que en España mata o 25%-30% das abellas cada ano, é un problema multifactorial, e non sería responsabilidade exclusiva das pesticidas, xa que as secas, a diminución de superficie verde, as especies invasoras e os patóxenos como a varroa e a nosema teñen a súa parte de culpa. Entre o 75% e o 85% da produción de alimentos e das especies de plantas dependen do labor polinizador das abellas É un grave problema, xa que en torno ao 75%-85% da produción de alimentos e das especies de plantas dependen do labor polinizador das abellas. Un traballo gratuíto que só en España xera 3.000 millóns de euros anuais en favor da agricultura. Por iso é polo que o Goberno español lanzou un programa piloto de estudo do estado das colonias que comezou no outono e que porá a lupa en 200 explotacións apícolas de todo o país. Antes, a UE destinara 3,3 millóns de euros para que os países membros afectados realizasen as investigacións pertinentes. As empresas dedicadas á produción destes insecticidas, coma Bayer e Syngenta, xa tiñan preparadas as súas respectivas notas de resposta para o momento en que a EFSA fixese público o seu informe. Estas compañías consideran unha vitoria que a EFSA non recomendase prohibir os seus produtos e insisten nos beneficios que os seus praguicidas proporcionan para a eficiente produción de alimentos. Onte mesmo facíase público un cálculo que asegura que a prohibición destes pesticidas na UE provocaría perdas de 17.000 millóns de euros e a desaparición de 50.000 postos de traballo polo dano causado á agricultura. Bayer e Syngenta consideran que os principais responsables da perda de abellas son as enfermidades que as atacan e aseguran que o uso correcto e mesurado dos seus produtos non é nocivo para as colmeas En ambos os casos, as compañías consideran que os principais responsables da perda de abellas son as enfermidades que as atacan e aseguran que o uso correcto e mesurado dos seus produtos non é nocivo para as colmeas. "Utilizando a tecnoloxía de forma adecuada, non existe dano algún sobre as poboacións de abellas e esta é a razón pola que moitos países da Unión Europea seguiron apoiando o seu uso", di Syngenta nunha nota. Mentres Francia prohibe o seu uso, o Reino Unido asegura que non provocan dano, e nos EEUU seguen estudando a materia. Co informe de EFSA, o futuro dos neonicotinoides está en mans da Comisión Europea. Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria Combined pesticide exposure severely affects individual- and colony-level traits in bees (Nature) Neonicotinoid Pesticide Reduces Bumble Bee Colony Growth and Queen Production (Science) A Common Pesticide Decreases Foraging Success and Survival in Honey Bees (Science)
NOS_8176
O 'ASuka II', ten capacidade para perto dun milleiro de pasaxeiros e pasaxeiras.
O Porto de Vigo confirmou esta sexta feira a anulación da escala do cruceiro xaponés 'Asuka II', inicialmente prevista para o 13 de maio, debido ao coronavirus. Así o trasladou o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, nunha rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Administración do organismo portuario. Segundo explicou, até o momento confirmouse esta cancelación, motivada polo "medo" á expansión do coronavirus, que repercute nas decisións das navieras. "Despois do que pasou, hai medo a quedar encerrado nos cruceiros (...), hai medo a meterse en sitios de moita concentración de xente", constatou. Así as cousas, o presidente da terminal viguesa mostrou a súa "preocupación" porque a crise do coronavirus vai afectar ao tráfico de cruceiros, xa "paralizado en Asia", e terá repercusións non só en Vigo, senón en todos os portos. Enrique López Veiga expresou a súa esperanza de que, "se vén pronto o bo tempo" e remite a epidemia, quizás o Porto poida "recuperar a normalidade" con respecto a eses tráficos de pasaxeiros. Até agora, hai confirmadas 73 escalas de cruceiros para 2020 na terminal olívica.
PRAZA_1377
A Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 vén de presentar un recurso á anulación por parte do TSXG do ditame que obrigaba ao Concello de Vigo a retirar o monumento falanxista e grazas ás achegas da cidadanía e de varios colectivos da cidade.
A anulación da retirada da cruz franquista do Castro en Vigo chega ao Constitucional. A Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 vén de presentar un recurso ante o alto tribunal á anulación, por parte do TSXG, do ditame que obrigaba ao Concello de Vigo a retirar o monumento falanxista do monte da cidade. Malia que nun principio o colectivo rexeitara continuar na liorta xudicial pola "dificultade e o custo económico" que supoñía, as "posibilidades reais" de que o TC anule a sentenza do Superior galego decidiunos a seguir. A Asociación pola Memoria Histórica do 36 vén de recorrer ante o Constitucional a anulación da retirada da cruz franquista E confirmárono presentando o recurso o pasado 5 de xuño logo de reunir os 3.000 euros grazas á venda de bonos de axuda de 2, 5 ou 10 euros entre a veciñanza desde o pasado mes de marzo. Conseguiron o apoi de máis de 500 persoas, xunto ao de numerosos colectivos. "Decidimos chegar até o final e presentar este recurso porque sabiamos que, desde o minuto un, iamos contar co alento e apoio económico e solidario de moitos vigueses e viguessas, demócratas e antifascistas", di a asociación nun comunicado. Foi o pasado 9 de febreiro cando o TSXG revogou a sentenza do xulgado de Vigo do mes de setembro anterior que ordenaba a retirada deste símbolo e logo de que o Concello, liderado polo alcalde Abel Caballero, acudise á xustiza para deter o que parecía unha derruba inmediata. Con todo, nun primeiro momento, a asociación decidiu non solicitar o recurso de amparo ante o Constitucional, pero cambiou de opinión ante o apoio social e as posibilidades dunha sentenza favorable. O colectivo conseguiu os cartos necesarios a través das achegas voluntarias da cidadanía e de varios colectivos da cidade O xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Vigo dáballe a razón á asociación e ordenaba a retirada da Cruz do Castro por considerala un elemento de "exaltación propagandística da sublevación golpista dos vencedores da guerra civil e da represión franquista posterior". A sentenza rexeitaba que o monumento tivera significado unicamente relixioso, tal e como alegaba e defendeu o Concello, que recorreu a sentenza ao TSXG, que lle deu a razón co voto en contra da maxistrada Cristina María Paz Eiroa. Unha loita que vén de lonxe A Cruz do Castro foi unha iniciativa da Falange, que escolleu o lugar onde se situaría o monumento, aprobado logo polo Concello franquista. Foi inaugurada o 14 de setembro de 1961 coa presenza do ditador e serviu para numerosos actos de exaltación fascista. A retirada deste símbolo é unha petición que leva anos amosándose na rúa a través de diferentes mobilizacións. Ademais, xa en 2008 se fixo a súa primeira solicitude formal, á que seguirían varios escritos da Asociación pola Memoria Histórica. Recolléronse máis de 4.000 sinaturas e contouse co apoio de moreas de asociacións, forzas políticas e diferentes colectivos, pero o goberno municipal nunca respondeu. Ante o silencio oficial, o 19 de xullo de 2011 o colectivo insistía no reclamo ao abeiro legal do dereito de petición (recollido no artigo 29 da Constitución e regulado na Lei 4/2001) amparándose na Lei 52/2007 de memoria histórica. Malia que a administración municipal tiña obriga legal de respostar, non o fixo, e a asociación presentou unha demanda para a protección dos dereitos fundamentais diante do xulgado número 1 de Vigo, que o 19 de decembro de 2011 obrigaba ao Concello a se pronunciar expresamente sobre a solicitude, inadmitíndoa "motivadamente" ou tramitando o procedemento oportuno. A retirada deste símbolo é unha reclamación de hai anos, apoiada por milleiros de sinaturas e colectivos A resposta non chegaría até o 1 de marzo de 2013, case cinco anos despois da presentación da primeira petición formal. A Xunta de Goberno Local resolvía nesa data denegar a petición de retirar o monumento fascista. Ante esa negativa, a asociación promoveu o recurso contencioso-administrativo, diante do xulgado número 2 da cidade, do que naceu o proceso xudicial que concluíu coa sentenza que mandatou o Concello a retirar a Cruz da ladeira do monte do Castro. O pasado mes de setembro, PP e PSOE volvéronse para rexeitar a demolición da cruz franquista. No pleno da corporación local do 29 de setembro, os votos de populares e socialistas rexeitaron unha moción do BNG na que se solicitaba que non se recorrese a sentenza xudicial que obriga a derrubala por considerala un símbolo franquista que atenta contra a dignidade das vítimas.
PRAZA_10532
"Cando se lles saca terras de donos que non se saben que son, pero teñen donos, hai unha incautación de terras" e unha "sovietización encuberta", alertaba o PP durante a tramitación da lei do Banco de Terras. Agora o Goberno galego disponse a aplicar esta medida mediante unha nova lei tras o ditame favorable da Comisión de Dereito Civil
"Incautación de terras. Cando se lles saca terras de donos que non se saben quen son, pero teñen donos, hai unha incautación de terras". O 8 de maio de 2007 o Parlamento de Galicia aprobaba definitivamente a lei que daba luz verde á creación do Banco de Terras e o PP, a través do seu daquela voceiro en materia de medio rural, Roberto Castro, expoñía deste xeito as razóns do seu grupo para votar en contra. "Algún día -auguraba- teremos que rescatar" os "termos" empregados naquel mesmo debate: "intervencionismo e incautación de terras", reiteraba."Cando se lles saca terras de donos que non se saben que son, pero teñen donos, hai unha incautación de terras" e unha "sovietización encuberta", alertaba o PP durante a tramitación da lei do Banco de TerrasO Banco de Terras de Galicia (Bantegal) era considerado pola Consellería do Medio Rural do Goberno de coalición de PSdeG e BNG un instrumento clave para mobilizar as terras agrarias infrautilizadas e incluía, entre outros, mecanismo para que a Xunta puidese actuar sobre parcelas de propiedade descoñecida, incorporalas ao "patrimonio público" e xestionalas a través do propio Bantegal. Xusto o que agora, máis de dez anos despois, se dispón a facer a Xunta. O PP, a través de Castro, considerara durante o trámite da lei que preceptos coma este suxerían unha "sovietización encuberta" dunha Galicia que non era, advertía, "un país pertencente ao extinto Pacto de Varsovia"."Hai que ter coidadiño co sentido da propiedade", que pode derivar en consecuencias "gravísimas", alertaba Castro ao conselleiro Alfredo Suárez Canal sobre medidas que, tras retornar ao poder, os de Alberto Núñez Feijóo comezaron ver con bos ollos a efectos prácticos. Así o fixeron con normas como a lei de estrutura agraria e co propio Banco de Terras, que pasaron a defender como "moi útil". E así prevén seguilo facendo na "futura lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia", que contemplará o paso ao patrimonio da Xunta dos predios sen propietario coñecido.A Comisión de Dereito Civil é "favorable" a que a Xunta poida incorporar ao seu patrimonio os predios sen propiedade coñecidaAsí o evidenciou o Goberno galego a pasada semana no marco da Comisión Superior de Dereito Civil de Galicia. O vicepresidente, Alfonso Rueda, e mais o actual conselleiro de Medio Rural, José González, asistiron á xuntanza deste órgano que aprobou, segundo informou o Executivo, un "ditame favorable a regular a atribución da titularidade dos bens vacantes en favor da Comunidade autónoma". Deste xeito, unha vez comprobado que non existe propiedade coñecida dunha leira, esta poderá pasar a ser propiedade da Xunta e non do Estado. E o Goberno galego pode, deste xeito, incorporala ao Banco de Terras. Nos últimos anos a Xunta puido dispoñer delas, pero a través dun convenio co Goberno de España.Fronte ás alertas lanzadas polo PP na oposición, tras os incendios de 2017 o propio Feijóo dixo ser favorable á "incorporación cautelar ao Banco de Terras" das leiras con "propietario descoñecido, falecido ou ilocalizable"O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo amosábase favorable a medidas coma esta tras a vaga de incendios de 2017. Tras lembrar que, segundo datos do Catastro, "estímase que en Galicia hai máis de 300.000 parcelas con titular descoñecido", Feijóo explicaba en novembro daquel ano que a "proposta" que ía levar adiante o seu Executivo pasaba pola "incorporación cautelar ao Banco de Terras" das leiras "sobre as que se estea a investigar se teñen un propietario descoñecido, falecido ou ilocalizable". "É dicir -resumía- poñelas dende que se abre a investigación á disposición de quen as queira traballar".Estas teses cadran notablemente coa filosofía inicial do Banco de Terras e contrastan coas advertencias lanzadas polo PP nos seus anos da oposición. Tamén coas dos panfletos espallados pola provincia de Ourense en vésperas das eleccións do ano 2009 segundo os cales PSdeG e BNG podían "quitarche as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas" mediante o Bantegal. O PP nunca se atribuíu a autoría daqueles pasquíns.
NOS_10620
Afirma que a actitude do Executivo de Alfonso Rueda fai que a empresa "sinta cada vez máis impunidade" para "avanzar no proceso de desmantelamento" e a consecuente "destrución" de postos de traballo.
O comité de empresa de Xeal vén de presentar unha denuncia contra o Goberno galego, Ferroatlántica, o fondo Ithaka Partners e a propia Xeal polo "desmantelamento" da planta, Os traballadores consideran que este "desmantelamento" é a continuación da "fraude" cometida na venda da factoría de ferroaleacións por parte de Ferroglobe. Nun comunicado difundido este mércores pola Confederación Intersindical Galega (CIG), o comité explicou que a querela está dirixida contra a directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, o conselleiro delegado do grupo Ferroatlántica, Marco Levi, os administradores do fondo Ithaka Partners e o apoderado de Xeal. Xeal anuncia 4 millóns para unha nova central no Xallas entre rumores de venda Os representantes sindicais xustifican este paso "ante a pasivididade reiterada" da Xunta á hora de "requirir á empresa que cumpra coas cláusulas esenciais das concesións hidroeléctricas e as diferentes sentenzas xudiciais que avalan a vinculación das actividades enerxética e de produción de ferroaleacións". Responsábeis de delitos de prevaricación Para o comité de empresa, os denunciados poderían ser responsábeis de delitos de prevaricación por omisión, prevaricación polo "ditado dunha resolución inxusta" e dun delito contra os traballadores. Neste sentido, consideran que a actitude do Executivo de Alfonso Rueda fai que a empresa "sinta cada vez máis impunidade" para "avanzar no proceso de desmantelamento" das fábricas e a consecuente "destrución" de postos de traballo, o que "pon en risco" a viabilidade das plantas de Cee e Dumbría. "Vémonos no deber de ter que denunciar penalmente a operación de compravenda para salvagardar os intereses dos traballadores e traballadoras presentes, dos que poidan entrar no futuro, do colectivo de persoal pasivo, e garantir o futuro industrial da comarca", trasladou o comité. O persoal de Xeal leva a empresa ante a autoridade laboral polo convenio O comité reclama ao xulgado que investigue a legalidade da operación de adquisión por parte do fondo Sixth Street Partners de Ferroatlántica, así como das resolucións do ente público Augas da Galiza como responsábel de velar polo cumprimento das cláusulas que obrigan a ligar a produción de ferroaleaciones á explotación dos saltos hidroeléctricos. Os traballadores inciden en que a produción eléctrica "é a única actividade na que ten interese real" o fondo de investimentos e que, por tanto, busca "desmantelar" unhas fábricas que, segundo denuncian, "segue dirixindo" Ferroglobe como evidencia que o grupo de Villar Mir sexa "quen fornece as principais materias primas e quen compra en exclusiva toda a produccción" das plantas de Cee e Dumbría. "Que Ferroglobe controla as fábricas resulta tan obvio que o grupo corre con todos os gastos, incluídas as nóminas do persoal", asevera o comité, que pon o acento en que a dirección actual dedícase a xestionar as centrais hidroeléctricas, o que supón un incumprimento das cláusulas concesionales.
NOS_47590
Posibelmente Organización Nautilus sexa o disco máis redondo de Os Resentidos no capítulo musical.
Non pasarán. Esa é a mensaxe fundamental de Antón Reixa e a súa banda, Os Resentidos. Desde os tempos de Sitio distinto insisten en que estamos en guerra pero hai que reflexionar. O seu último traballo afina algo máis e ponlle nome ao conflito: loita de clases. Esa é a reflexión de base e, a partir dese recoñecemento, xa se pode declarar desde o internacionalismo de Dante que o maior mérito é vivir: sobrevivir ("Divina Comedia"), ou desde o nacionalismo rosaliano denunciar a maldita oligarquía ("A xustiza pola man"). Organización Nautilus / Os Resentidos / Altafonte / Doce pezas / 25,95 euros (vinilo) Organización Nautilus apela a ese mundo submarino desde o que se organiza a resistencia, co Capitán Nemo -que quer dicir ninguén- á cabeza. Desde o fondo da ría de Vigo emítense sinais que a clandestinidade comprenderá sen necesidade de consultar o código. A chamada á organización vén acompañada dunha visión realista do estado da cuestión: o futuro volveuse Asperger de tanto desexalo, di en "Organización", e en "Warren Buffet" recoñece que os ricos van gañando, como asegurou o aludido no título do tema. Mais a rendición non entra nos plans da banda: unha revolución que non cabe no carro do supermercado -e que non será televisada- leveda nos fondos abisais, esperando que Belén Esteban teña podólogo para saír ás rúas e traer, por fin, a redenzón da boa nazón do cha-cha-chá. A experiencia é un grao e Os Resentidos demóstrano: posibelmente Organización Nautilus sexa o seu disco máis redondo no capítulo musical. A apertura de estilos, cuns alicerces ben chantados no funky, permítelles achegarse ao hip hop, ao acid jazz ou mesmo á cumbia e o cha cha chá sen que a unidade se resinta. Reixa, pola súa banda, atempera a súa querenza pola spoken word e achégase á melodía desde unha perspectiva que non deixa de ser tan persoal como coherente coa proposta. Tampouco desaparecen as raíces do rock'n'roll: "Ausencia Fracaso", "Anti-sistema" ou o poema de Rosalía a ritmo dos Beastie Boys dan fe desa fidelidade aos principios. Os oíntes atentos mesmo atoparán alusións musicais a aquel histórico "Sector naval" de 1986. Rock'n'roll e revolución non parecen malos principios nin mala receita para pedir "Money for free" e deixar claro que os verdadeiros antisistema son os directivos do Banco Mundial. A estas alturas xa debería estar claro que a quen madruga nin Dios o axuda, e Os Resentidos póñense de parte dos que teñen que ir ao mar cando a frota está amarrada. Se cadra, estamos ante o disco máis depurado dunha banda que reflexiona sobre o conflito e actúa entre tanta gozadeira xacobea para demostrar que se nos organizamos... outra vida é posíbel. Aínda non demos atopado o tesouro de Rande, pero a loita continúa.
NOS_13022
Catalunya ten previsto prorrogar 15 días máis a prohibición de traballar á hostalaría e en Andalucía a actividade non esencial finaliza ás 18 horas e fica desde mañá prohibido saír e entrar de calquera dos seus concellos. Logo está Madrid, que ao pasar o seu feriado levanta o fechamento perimetral e a Galiza, que segue sen blindar as súas fronteiras.
Hoxe foi de novo feriado na capital do Estado español, o Día da Almudena, e non fallou a tradicional ofrenda á virxe. Nela, o alcalde José Luis Martínez-Almeida pediu forza á Almudena para as e os madrileños e que "alumee" os científicos e protexa o persoal sanitario da "nova peste". Porén, en canto a festividade chegou á súa fin levantouse o fechamento perimetral da Comunidade de Madrid. Até ás 00 horas de hoxe, só Galiza e Estremadura ficaban sen pór o cerre ao redor do seu territorio (alén das illas Canarias e Balears, por razóns xeográficas obvias). Agora tamén se suma a rexión gobernada por Isabel Díaz Ayuso. Pola contra, esta segunda feira mesmo varias comunidades anunciaban restricións máis duras para tentar evitar o colapso hospitalario, nunha xornada en que baixaron os contaxios no Estado pero aumentou a presión hospitalaria, especialmente nas unidades UCI. De feito, na Rioxa ou Aragón a ocupación en UCI supera 55%, mentres que por riba de 40% están en Melilla, Castela e León, Catalunya, Ceuta e Nafarroa. Andalucía computou o seu récord en ingresos por coronavirus. Alí, desde mañá, ficarán todos os concellos en confinamento perimetral e prorrógase o fechamento da comunidade. Aliás, a partir das 18 horas fican suspendidas todas as actividades non esenciais. O conselleiro de Sanidade andaluz, Jesús Aguirre, confirmou nunha entrevista radiofónica que o Goberno de Andalucía unta pediu ao Ministerio adiantar o recoller obrigatorio para antes das 22 horas, tendo en conta que a partir das 18 xa non haberá actividade non esencial, mais o conselleiro sinalou que a resposta do Executivo español "foi negativa". Tamén se amplían os fechamentos noutros territorios, como en Ceuta, onde o seu Goberno prohibiu onte as viaxes á península. En Catalunya, a Generalitat tamén advertiu que na sexta feira, con gran probabilidade, prorrogará o fechamento da hostalaría durante 15 días máis.
NOS_49467
A Audiencia Provincial da Coruña considera que o Goberno español xestionou "ben" a catástrofe e absolveu o único cargo público imputado, o ex director da Mariña Mercante José Luís López-Sors; a única condena que estabeleceu foi por "desobediencia" e para o capitán, o grego Apostolous Mangouras. Remata a crónica dunha sentenza anunciada.
A Audiencia Provincial da Coruña considera que o Goberno español xestionou "ben" a catástrofe e absolveu o único cargo público imputado, o ex director da Mariña Mercante José Luís López-Sors; a única condena que estabeleceu foi por "desobediencia" e para o capitán, o grego Apostolous Mangouras. Remata a crónica dunha sentenza anunciada. Redes sociais = @meri_varela afirma que "o mar volve estar de loito once anos despois"; @arturgalocha considera que "a mensaxe que manda a sentenza é 'cando queirades'"; @Manuf_Paz remarca: "chamáronlle xuízo mais era un cheque en branco para que o repitan"; e @tone_corunha achega que "o poder xudicial lembra a xurisprudencia dominante" e que "a impunidade é o escudo das elites políticas e económicas neste secuestrado país" Redes sociais = @XornalAberto ten claro que "se Galiza non tivese costa non pasarían cousas como a do Prestige"; @Moi_Enfurecido non entende "para que se fixo o xuízo se sempre perdemos os galegos"; @alfhermida enfatiza que "non hai forma de quitarse de encima a marea negra" Redes sociais = o dito popular de que 'Mexan por nós' é a mellor síntese que se pode facer da reacción que a absolución do Estado español causou nas redes sociais. @anntia denuncia que "pasan os séculos e seguen mexando por nós e Galiza ten que seguir dicindo que chove; Nunca Máis debera berrarse todos os días" Resumo = absoltos os tres acusados dos principais delitos: contra o medio ambiente e danos. Absolto o xefe de máquinas, Nicolas Arguropoulos, do delito de desobediencia civil polo que si foi condenado o capitán do buque, Apostolous Mangouras; impóñenlle nove meses de cárcere, polo que non entrará en prisión. Remata a leitura do resumo que o maxistrado fixo da fundamentación en que basea a resolución adoptada a respeito da marea negra causada polo Prestige Os feitos probados nesta sentenza son constitutivos dun delito de "desobediencia grave" do cal é autor Apostolous Mangouras, sinala a sentenza Redes sociais = @anxinho salienta que "os responsábeis políticos daquela marea negra no mar son os mesmos que agora a provocan nos sevizos públicos"; @Outes quéixase da "absolución do goberno pola traxedia" e ironiza con que "mandar o Prestige ao quinto pino non debeu influír"; @UxioNovo fai brincadeira: "botáronlle a culpa á pistola"; e @blancafram espeta que unha sentenza con "cero responsábeis non por esperada é menos indignante" López-Sors xestionou "ben" o afundimento do Prestige ao maxistrado sorpréndelle que fose imputado Tal e como adiantara o maxistrado, o Goberno español fica absolto de responsabilidades penais "Considérase favorábel o que se decidiu: a contaminación extensa mais non intensa, que favorecese a rápida recuperación do medio ambiente, como de facto aconteceu". O maxistrado di que "está á vista" que as actividades produtivas afectadas pola marea negra fican, a día de hoxe, "recuperadas" A sentenza enfatiza que "non está claro" cales serían as consecuencias do afundimento de non se ter afastado o barco da costa galega e di que "é dubidoso que se advertise nalgún momento o alcance dos danos" pois os colectivos "que agora abundan no craso do erro daquela gardaron silencio" O maxistrado atribúe a López-Sors "imprudencia grave". Loa o traballo de Nunca Máis e subliña de seguido que "isto non quere dicir que as súas conclusión foran as atinadas" Absoloto o capitán do barco, Apostolous Mangouras, e o xefe de máquinas Redes sociais = indignación perante a máis que probábel absolución: @BraisLlorente lamenta que "once anos despois, ningún culpábel, coma sempre"; @Caletiweni lembra a vitoria do PP nas eleccións municipais, que sorprendeu en localidades como Muxía, e espeta que "a primeira condena tiña que ser a dos galegos nas urnas" porque agora "ninguén pagará polo desastre"; @millanfernandez quéixase de que "A sentenza do Prestige será como todo neste país. Como será o de Angrois. Man de ferro co pobo, luva de seda cos poderosos, hoxe gobernando" Non se reclamarán responsabilidades penais; só civís Fala o maxistrado de "dificultade ou imposibilidade" de atribuír responsabilidades a ningún dos tres acusados pola marea negra. Cabe a absolución "Non hai ningunha causa que demostre a causa da repentina e irreparábel avaría do buque", resome a sentenza "Non se provou a existencia de ondas xigantes e a mera proba estatística non pode demostrar que causara a avaría coas lóxicas consecuencias no naufraxio", continua o maxistrado ponente Redes sociais = Sorpresa perante a leitura na nosa lingua. Apunta @mediaducia: "Xustiza en galego" Isto é novo e marabilloso!" e @xico_de_nelle di que "o único bo da sentenza é que se estea a ler en galego" Redes sociais = Reproches para a decisión da CRTVG de non retransmitir ao vivo a leitura da sentenza. @luscas_gz fala de "máis un caso de manipulación (e van xa...)" e @tawil informa da programación que se está a manter e acrecenta o hastag #NuncaMáis Redes sociais = Di @Amalixx que "hoxe na Galiza lembramos o Prestige coma se fose hoxe mesmo" "O estado estrutural do buque era parcialmente precario" e o seu esnaquizamento "era previsíbel", continua a sentenza A CRTVG está a retransmitir a leitura pública a través da súa páxina web. Porén, ao vivo mantén a programación e emite Galicia Lipdub na primeira canle e series infantís na segunda Redes sociais = @jcabalar, que está a cubrir a leitura da sentenza na sede do TSXG, denuncia que "levaron as pantallas de plasma. Incomunicando o Prestige dende outra sala.Todo o ano nunha nave industrial e hoxe..." Redes sociais = @cduranestany pregunta "Que sentido ten tanta expentacion pola sentenza do Prestige se ningun dos acusados que hai esta presente. Non é unha pantomima?" Ás portas do TSXG concéntrase a Plataforma Nunca Máis para denunciar a "impunidade" desta resolución anunciada "O fallo produciuse a causa dun mantemento deficiente que se lle ocultou á tripulación", di a sentenza Continúa a leitura pública: o maxistrado ponente fala dunha actuación "difusa e confusa" do que daquela era delegado do Goberno español na Galiza, Arsenio Fernández de Mesa Si se reclamou cadea para os outros dous acusados, dous armadores gregos. Porén, ao parecer non entrarán no cárcere por superaren os 70 anos de idade Para o único cargo público acusado pola marea negra, o ex director da Mariña mercante José Luis López-Sors, non se reclamou pena de prisión As indemnizacións por danos están cifradas nos 4.230 millóns. Quen se fará responsábel? O maxistrado ponente da sala da Audiencia Provincial da Coruña encetou ás 11.04h a leitura pública da sentenza. Faino en galego
NOS_55818
Co progresivo sometemento do reino de Gallaecia desde o ano 585, a monarquía visigoda con capital en Toledo sumou o territorio galego aos seus dominios no sur da Galia (Septimania) e na Hispania. Considerados, xa que logo, reis de Hispania, Gallaecia e Septimania, desde o ano 585 os sucesivos reis visigodos mantiveron o goberno −ás veces fráxil− sobre o territorio galaico a través da figura dun dux, un aristócrata con amplísimas funcións que gobernaba en nome dos reis visigodos de Toledo.
*Preme aquí para escoitar o podcast de Nós Diario sobre os reis e as raíñas da Galiza. No capítulo de hoxe falamos do fin da monarquía visigoda na Gallaecia Caracterizada polas constantes loitas polo poder e un sistema hereditario que alternaba entre a elección e a sucesión dinástica, a segunda metade do século VII supuxo un momento especialmente convulso para os monarcas visigodos. Após o longo reinado de Recesvinto (649-672) a conflitividade aumentou entre alta nobreza visigoda, dividida polas constantes disputas polo trono. Tal foi o caso do rei Éxica, quen após asumir o trono no 687 axiña quixo garantir a súa liñaxe, situando o seu fillo Vitiza como herdeiro do trono visigodo e reducindo o poder do clero. As decisións, especialmente impopulares no seo da Igrexa toledana e na alta aristocracia visigoda axiña derivaron nunha revolta contra o propio rei. O líder desta rebelión foi un poderoso aristócrata chamado Suniefredo, apoiado por unha parte importante da nobreza visigoda e aínda pola máxima autoridade eclesiástica no Estado visigodo, o bispo Sisberto, metropolitano de Toledo. Suniefredo foi finalmente derrocado por Éxica, quen recuperou a coroa no ano 693 Malia se facer co trono toledano entre os anos 692 e 693, e mesmo emitir moeda no seu nome, Suniefredo foi finalmente derrocado por Éxica, quen recuperou a coroa no ano 693. A volta de Éxica permitiulle recobrar os seus plans e asociar o seu fillo Vitiza ao trono, encargándolle de inmediato o goberno da Gallaecia coa máxima autonomía, tal e como a tiveran os suevos, segundo as crónicas posteriores. Un goberno que Vitiza desenvolveu, segundo as mesmas crónicas, desde a antiga cidade, e sé episcopal, de Tude (actual Tui). Galiza na monarquía visigoda. Un reino plurinacional formado por Hispania, Gallaecia e Septimania A corte tudense de Vitiza O investigador Martín Fernández Calo, sinala no seu estudo Estado, poder e estruturas políticas na Gallaecia (2018), como o envío de Vitiza ao territorio galaico puido estar motivado por algún tipo de insurrección aristocrática. A este respecto, resulta controvertido o encargo de Éxica pois a administración da Gallaecia correspondía, como era costume, a un dux con residencia en Lugo. O envío de Vitiza a Tui, así como o seu labor de gobernante da Gallaecia, permiten albiscar, tal e como apunta o propio experto, unha confrontación entre o príncipe e o dux, un nobre que as crónicas posteriores identificaron co nome de Fáfila, un nobre galaico-visigodo de orixe incerta. A pesar de a información do reinado de Vitiza na Gallaecia ser escasa e tardía, todo indica que en efecto, a co-rexencia entre Éxica e o seu fillo foi, certamente, real. Así o testemuñan diferentes exemplares de moedas (tremises) atopadas por toda a xeografía ibérica no que se aprecian as lendas IN DEI NOMINE EGICA REX e IN DEI NOMINE VITTIZA REX co busto de ambos os dous reis. Moeda emitida por Éxica e Vitiza. (Foto: Museo arqueolóxico de Palencia) Coa morte de Éxica entre os anos 702 e 703, Vitiza converteuse finalmente no único soberano de Hispania, Septimania e Gallaecia, territorio este último onde o rei debeu contar cunha importante rede clientelar herdada da súa etapa de goberno en Tui. A pesar de que as accións de goberno de Vitiza son pouco coñecidas, existe un consenso no mundo académico arredor dalgunhas das súas medidas, especialmente aquelas destinadas a acabar coa corrupción da Igrexa e unha maior permisividade co celibato eclesiástico, dando a posibilidade a que os sacerdotes puideran contraer matrimonio. Para alén destas reformas, Vitiza decidiu perdoar os sublevados durante a revolta de Suniefredo, restaurando aos rebeldes as súas propiedades confiscadas e estabelecendo a concordia cos disidentes. Con todo, as adversas circunstancias non propiciaron un escenario de fácil goberno, convulsionado, ademais, por un período de secas entre os anos 707 e 709, así como un novo e devastador surto de peste. Miro, Eborico e Audeca. Os derradeiros reis suevos da Gallaecia de 570 a 585 Sen que exista consenso no mundo académico nin nas crónicas escritas apenas unhas décadas despois, todo apunta a que a morte de Vitiza debeu de suceder entre os anos 710 e 711. Perante a falta de documentación, resulta imposíbel afirmar se a morte Vitiza foi natural ou se esta derivou dunha conxura de palacio. Do que non hai dúbida é de que no momento da súa morte, a monarquía visigoda atravesaba unha difícil conxuntura política, marcada polo axitamento social e as decisións en materia eclesiástica. Todo indica que as causas da morte de Vitiza foron ocultadas e que esta estivo directamente relacionada Golpe de Estado que o rei sufriu no final do seu reinado. De calquera xeito, as circunstancias que acompañan o falecemento de Vitiza son aínda hoxe un misterio. Após a morte de Vitiza, cobrou especial protagonismo unha figura vinculada á corte real, un nobre chamado Rodrigo do que se especula puido ser dux na Bética. A este respecto, é a propia Crónica Mozárabe a que non deixa lugar a dúbidas en como Rodrigo foi o líder que encabezou a conxura contra Vitiza e que, dun xeito violento, acabou co seu reinado. Rodrigo, un monarca cuestionado na Galiza No entanto, a usurpación −e posíbel asasinato de Vitiza− perpetrada por Rodrigo non só non conseguiu restituír a paz política no Estado visigodo, senón que esta acabou por precipitar a monarquía nunha profunda guerra polo trono de Toledo. Fronte aos partidarios de Rodrigo, situouse a parentela e aliados de Vitiza; entre eles atopábase Oppa, irmán ou medio-irmán de Vitiza ao que a investigación actual sitúa como posíbel sucesor de Vitiza. Unha figura á que se suma outro aristócrata identificado como un posíbel fillo de Vitiza, un nobre chamado Akhila que logrou reinar sobre a parte nororiental do Estado visigodo. Un basto territorio no que se incluían urbes como Zaragoza, Barcelona, Narbona ou Tarragona, tal e como así o testemuñan as moedas acuñadas por este monarca nesta área xeográfica. Non resulta improbábel que a lexitimidade de Rodrigo, ao igual que na Tarraconense e Septimania, tamén fose seriamente cuestionada na Gallaecia, cando non directamente combatida Este feito evidencia como a autoridade de Rodrigo non só non foi acatada en gran parte dos dominios visigodos senón que algúns destes mesmo se puxeron baixo o goberno dun monarca alternativo. O mesmo desafecto por Rodrigo puido ser experimentado tamén na Gallaecia, onde Vitiza exercera como rei durante anos e onde este dispoñía dunha rede de fidelidades da que carecería Rodrigo. Se ben non hai información documental precisa, non resulta improbábel que a lexitimidade de Rodrigo, ao igual que na Tarraconense e Septimania, tamén fose seriamente cuestionada na Gallaecia, cando non directamente combatida. Algo que podería explicar a falta de moedas acuñadas en nome de Rodrigo en territorio galaico. Mais para alén destas áreas, outra zona enfrontada á autoridade de Rodrigo localizouse na zona vasco-cantábrica, onde este emprendera unha campaña militar de castigo para sufocar unha rebelión no ano 711. Da escuridade ao esplendor. A nova monarquía sueva ente 469 e 570 Para alén da guerra sucesoria entre a aristocracia visigoda, en realidade o goberno de Rodrigo atravesaba a súa maior ameaza lonxe do norte peninsular, nos territorios meridionais máis próximos a África. Alí, xa no ano 710, a cidade hispano-visigoda de Iulia Traducta (actual Alxeciras) fora saqueada por unha expedición liderada por Abu Zara Tarif; un caudillo musulmán que cruzara o estreito desde a zona de Septem Fratres (actual Ceuta). O ataque de Abu Zara Tarif representaba, en realidade, unha peza máis do avance que desde o século VII experimentaba o califato islámico de Damasco por todo o Mediterráneo sur e que posibelmente foi ordenado polo entón gobernador de Ifriquiya, Musa ibn Nusair. O fragmentado Estado visigodo converteuse no obxectivo do gobernador de Ifriquiya É a propia Crónica Mozárabe, escrita no ano 754, a que reafirma a idea dun progresivo avance musulmán sobre a península ibérica. Un contexto de expansión que xa se albisca en datas próximas ao ano 700, cando os exércitos do califato se fixeran con prazas norteafricanas tan importantes como Tánxer (705) ou a propia Ceuta (709), talvez en mans bizantinas. Envolto nunha contenda civil entre Rodrigo, Akhila e os partidarios de Vitiza, o fragmentado Estado visigodo converteuse no obxectivo do gobernador de Ifriquiya. Dispostos a derrocar o goberno de Rodrigo, dono do sur peninsular, Musa e o califato de Damasco axiña atoparon nos vitizanos un potencial aliado na loita contra Rodrigo. Reis dunha Gallaecia dividida. A monarquía galega entre o 456 e o 459 A pesar de que apenas se coñecen os posíbeis acordos entre o gobernador Musa e os afíns a Vitiza, expertos como Anselmo López Carreira sinalan a posibilidade de que a coincidencia, ao menos parcial, dos intereses do califato e dos vitizianos derivase nun tipo de pacto entre estes opositores a Rodrigo: os primeiros, desexosos de espallar a autoridade do califato e o Islam; os segundos por acabar coa usurpación de Rodrigo. Así, con ou sen cooperación dos vitizanos, a toma de Septa (Ceuta) permitiu ás tropas musulmanas controlar o estreito de Xibraltar e organizar durante os meses seguintes unha incursión na península ibérica co obxectivo de derrocar a Rodrigo. A relación de Gallaecia e o Califato Gallaecia no mapa do mundo do anónimo de Rávena do século VII reconstruído por Konrad Miller. A expedición, comandada por Tariq ibn Ziyad, arribou ás costas da Bética no ano 711, iniciando o seu avance cara ao norte. Informado do desembarco dun continxente, Rodrigo, rival aínda de Akhila e da familia de Vitiza, saíu ao paso dos exércitos de Tariq e, talvez, dos seus aliados. O encontro entre ambos exércitos tivo lugar nas inmediacións do río Guadalete, na ruta entre Tarifa e Hispalis (actual Sevilla). Requiario (448-456). O apoxeo suevo A batalla resultou un completo fracaso para Rodrigo e os seus homes, até o punto do líder visigodo morrer no percurso da propia batalla. A vitoria de Tariq na Bética alentou, só uns meses despois, que o gobernador de Ifriquiya organizase unha nova expedición de conquista de proporcións maiores coa que, finalmente, tomou Toledo. A través das acuñacións de moeda de Akhila no territorio tarraconense, parte do mundo académico supón que o mantemento do goberno de Akhila tras a batalla de Guadalete podería revelar un pacto de non agresión, ao menos inicialmente, coas tropas do Califato. Unha boa parte dos señores e algúns duces visigodos pactaron a súa capitulación para conservar o seu patrimonio, así como os seus privilexios sobre o territorio Con todo, derrocado Rodrigo, os plans de Musa para someter todo o Estado visigodo coa mínima intervención armada pasaron por unha estratexia destinada a lexitimar o dominio das novas autoridades sobre a aristocracia visigoda. Así se desprende do intento de entroncar ás autoridades musulmás coa realeza toledana a través do casamento de Abd al-Aziz, fillo de Musa, coa raíña visigoda Exilona, viúva de Rodrigo. Un movemento político extremadamente audaz que levantou non poucas suspicacias en Damasco e que finalmente acabaría apartando a Musa do poder e do cargo gobernativo. Requila. Un reino en expansión (438-448) As ambicións das autoridades musulmás, do propio Musa e dos seus sucesores, así como a falta de poder efectivo da familia de Vitiza e mesmo de Akhila, acabarían por levar os exércitos a avanzar no dominio de Hispania. A pesar de que as crónicas musulmás fan especial fincapé sobre as primeiras vitorias militares nas grandes urbes hispano-visigodas, tales como a capitulación de Sevilla ou o asedio de Mérida, o certo é que unha boa parte dos señores e algúns duces visigodos pactaron a súa capitulación para conservar o seu patrimonio, así como os seus privilexios sobre o territorio. Este tipo de capitulacións son coñecidas a través dun documento excepcional, o chamado "Pacto de Tudmir". Nel plásmase o acordo entre un nobre visigodo chamado Tudmir, con amplas posesións na antiga provincia da Carthaginensis, e o entón valí de Al-Ándalus, Abd al-Aziz, casado coa raíña visigoda Exilona. Con el, o novo valí garantía a Tudmir os seus privilexios mentres que este se comprometese a ser fiel ás autoridades musulmás. Un acordo que ademais permitía exercer a liberdade de credo aos habitantes baixo a xurisdición de Tudmir, coa única condición de pagar un tributo por dito privilexio. A diferenza do sur e leste peninsular, na Gallaecia resultan escasamente coñecidas as relacións entre a nobreza galega e a musulmá Mais para alén do caso de Tudmir, os pactos de submisión ou conversión da aristocracia visigoda foron frecuentes e numerosos entre as máis altas esferas políticas. Así o demostra a propia conversión da familia dun coñecido nobre visigodo de nome Casius, islamizado e convertido no líder dunha saga de terratenentes do val do Ebro coñecida posteriormente como a Familia Banu-Qasi ("os fillos de Casius"). A diferenza do sur e leste peninsular, na Gallaecia resultan escasamente coñecidas as relacións entre a nobreza galega e a musulmá. Porén a propia afinidade do territorio con Vitiza puido repercutir nun trato especialmente vantaxoso que permitiu á aristocracia escapar do control directo das autoridades musulmás e posteriormente andalusís. A localización da Gallaecia fóra da zona de expansión do Califato, así como a vinculación co partido vitizano posibilitou o mantemento da estrutura territorial galega, herdada de séculos anteriores, así como a actividade eclesiástica sen interrupción, tal e como sucedeu en bispados como Iria. Hermerico. O fundador do reino da Gallaecia (409-438) Aínda que a figura de Vitiza foi especialmente maltratada pola posterior tradición cronística, máis favorábel a Rodrigo, é López Carreira quen lembra como a memoria de Vitiza na Gallaecia permite observar a adhesión desta a este rei. Unha posición favorábel, tamén visíbel na Crónica Mozárabe, que non deixou de considerar a Vitiza como un rei reformador dos seus tempos.
PRAZA_8840
Beiras destaca "o nulo esforzo" do PP por combater a fraude fiscal. A coalición considera que as prácticas fiscais ilegais Gartler SL (sociedade patrimonial de Amancio Ortega) "non son unha excepción"
Alternativa Galega de Esquerda (AGE) vén presentar unha Proposición non de lei no Parlamento de Galicia na que se insta á Xunta ao cumprimento do Plan Xeral de control tributario e a inclusión dun plan específico e preferente de inspección dos grandes patrimonios e grupos económicos. O obxectivo é "a comprobación, investigación e inspección tributaria da realización de operacións mercantís e transmisións patrimoniais que puideran ter a finalidade fraudulenta de minorar o pago de impostos, en especial o de Patrimonio e de Transmisións patrimoniais". AGE lembra que é competencia da Área de Inspección Tributaria da Axencia Tributaria de Galicia a análise e proposta de plans de inspección e de control tributario, así como a proposta de medidas e métodos de actuación para a detección e loita contra a fraude fiscal. AGE considera que casos coma o de Gartler SL (sociedade patrimonial de Amancio Ortega), da que se demostrou que incorrera en prácticas fiscais ilegais e irregulares "non foron unha excepción". Hai un mes a Audiencia Nacional confirmou a regularización fiscal de Gartler SL pola que a Administración Tributaria de Galicia procedeu a incrementar a súa base imponible do imposto de sociedades. AGE considera que casos coma o de Gartler SL (sociedade patrimonial de Amancio Ortega), da que se demostrou que incorrera en prácticas fiscais ilegais e irregulares "non foron unha excepción" O deputado Antón Sánchez informou de que tal e como se detalla minuciosamente en varias sentenzas, a exención fiscal aplicada e que tanto a Administración tributaria como o TSXG consideraron ilegal, consistiu na realización de sucesivas operacións mercantís (ventas e ampliacións de capital) dentro do entramado empresarial da familia Ortega constituído por varias sociedades e SICAVs. Ademais, segundo a sentenza, a sociedade Gartler incluíu indebidamente como gasto deducible a retribución de Amancio Ortega -máis dun millón de euros ano ano-, malia a que nos estatutos se especificaba expresamente que este cargo non levaba aparellada retribución ningunha. Xosé Manuel Beiras destacou en rolda de prensa o nulo esforzo por parte dos gobernos do PP por combater a fraude fiscal "mentres que reclama paciencia aos cidadáns e os ataca con continuos recortes·. "Se rexeitan a iniciativa e non levan a cabo un plan de control tributario das grandes fortunas, quedarán sen escusa para dicir que non hai posibilidade de incrementar os ingresos", engadiu. "Se rexeitan a iniciativa e non levan a cabo un plan de control tributario das grandes fortunas, quedarán sen escusa para dicir que non hai posibilidade de incrementar os ingresos", engadiu Beiras O deputado Antón Sánchez criticou o sistema fiscal actual no que a imposición se asenta na indirecta (basicamente o IVA) e onde na directa son as rendas do traballo as maiores contribuíntes proporcionais mentres as SICAVs, as sociedades patrimoniais e o propio conxunto da normativa impositiva, "posibilitan o artellamento de entramados e movementos de capital societario que en moitas casos ten como finalidade eludir de xeito fraudulento o pago de impostos mediante operacións entre partes vinculadas, e indebidas exencións e beneficios fiscais".
NOS_23501
O indicador tamén baixa en decembro na Galiza, un 0,8%, fronte á repunta do conxunto estatal.
O Índice xeral de produción industrial descendeu unha media do 8,6% en 2020 na Galiza, co que rexistrou a súa maior caída desde 2009, cando baixara un 15,2% en plena crise financeira, segundo os datos que publica esta segunda feira o Instituto Nacional de Estatística (INE). Desde entón, a produción industrial fora recuperando, con diminucións, pero menores, en 2010, 2011 e 2012 (-0,1%, -6,6% e -6,8%), un aumento do 3,2% en 2013, de novo unha redución en 2014 (-4%) e subas nos anos seguintes até 2019 (+4,2%, +2,3%, +1,8% e +4,9%). O exercicio anterior ao do estoupido da pandemia do coronavirus, o indicador retrocedeu un 3,8%. Mentres, en decembro, e ao contrario da repunta que experimentou a produción industrial no conxunto estatal, o índice contraeuse un 0,8% na Galiza. Por destino económico dos bens, a produción industrial anotouse en 2020 do 10,3% nos bens de consumo, do 9,1% nos bens de equipo, do 7,6% na enerxía e do 7,2% nos bens intermedios. No conxunto estatal, descendeu unha media do 9,1% en 2020, a súa maior caída desde o exercicio 2009, cando este indicador afundiu un 16,2% en plena crise financeira.
PRAZA_2227
ENTREVISTA Nela Abella, da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e da rede Contraminacción, fai balance da loita social e da veciñanza contra o proxecto da mina de Corcoesto, cancelado de vez tras a perda dos dereitos mineiros que Edgewater tiña en Bergantiños
A Xunta confirmou a perda dos dereitos mineiros da multinacional canadense Edgewater en Corcoesto, o golpe final para o polémico proxecto que espertou unha fonda indignación e contestación social liderada por varios colectivos ecoloxistas e contra a megaminería contaminante. Nela Abella, membro de Verdegaia, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños e voceira de Contraminacción, a rede galega que xunta varios espazos contra estas "ameazas", fai balance dunha "batalla" que tivo os seus efectos positivos, pero que tamén deixou feridas que serán difíciles de cicatrizar. É o final da batalla en Corcoesto? Agardo que sexa o final dunha batalla, pero desde logo que non será a fin da guerra. En Corcoesto, aínda que se quixese retomar o proxecto da gran mina a ceo aberto, as empresas terían que volver empezar desde cero, presentar unha nova proposta, sometela a exposición pública e volver solicitar a declaración de impacto ambiental. Non creo que lles compensase, sabendo tamén que contan na comarca cunha cidadanía organizada, que non deixou de mobilizarse e que segue activa e preparada. "Agardo que isto sexa o final dunha batalla, pero desde logo que non será a fin da guerra" Desde diferentes colectivos insístese na concienciación que supuxo esta loita para moita veciñanza... Claro que houbo unha maior concienciación sobre certos temas, tanto a nivel político como social ou medioambiental. A nivel persoal, para min foi unha experiencia moi positiva, pero tamén no colectivo. Xuntámonos moita xente e houbo persoas que se sentían soas nas súas inquedanzas sociais que viron como eran compartidas. Creáronse sinerxías e cooperación e iso sempre é bo. Cre que a mobilización social foi a clave na paralización do proxecto? Se non foi a clave, foi unha das claves. A mobilización e presenza permanente da xente, a actividade continua, a información aos veciños... Desde logo que foi algo fundamental e estou convencida de que tamén é algo que bota as empresas para atrás no caso de que pensen en retomar o proxecto da mina. Pode que, se cadra, o intenten noutra zona onde a xente estea máis parada e menos mobilizada pero é seguro que aquí teríano que pensar moito. "A mobilización social foi unha das claves e tamén será algo que bote atrás as empresas que pensen en retomar o proxecto" Sufriron presión por parte do mundo empresarial ou das administracións? Máis que presión, o que sufrimos foi a ausencia de moitos medios importantes en papel, aínda que non de moita prensa dixital que trasladou a problemática á cidadanía. En canto á veciñanza, si que houbo persoas de Corcoesto que recibiron chamadas e mesmo algunha ameaza, pero non tanto por parte das administracións, senón a un nivel máis subterráneo e soterrado. Mantense a división entre os veciños da zona? Houbo moita división entre os veciños e aínda permanece. Hai familias que se enfadaron, que quedarán enfadadas e que aínda viven sen falarse e isto é do máis negativo que deixou este proxecto, aínda sen chegar a materializarse. Ás veces hai afinidades políticas por baixo, outras veces de terras e outras polas promesas de postos de traballo que se fixeron. Hai quen acusa o outro de evitar que conseguise un emprego por mobilizarse contra a mina... "Hai familias que se enfadaron tras esta polémica e que aínda viven sen falarse; isto é do máis negativo que deixou este proxecto" Xogou a empresa coa desesperación e o elevado nivel de paro pola crise? A empresa e outros actores xogaron coa situación de desesperación e de paro de moita xente que se agarrou a un cravo ardendo pensando no futuro máis inmediato, pero non no futuro a longo prazo nin nas consecuencias que tería este proxecto nun futuro. Cre que a ameaza da minería máis agresiva segue vixente en Galicia? A ameaza segue en pé e en varios lugares. A tal hora, en Triacastela hai xente movéndose para tratar de evitar que a Cova Eirós sura máis deterioro do que xa sufriu e en Lousame tamén hai mobilizacións para o que o proxecto de wolframio non vaia adiante. Hai que estar alerta porque este tipo de empresas mineiras funcionan dunha maneira moi subterránea, facendo as cousas aos poucos e ás agachadas... Cando te queres dar conta, xa teñen todo medio feito, pero sen ter informado á veciñanza nin explicando en que consiste o que pretenden. "Non creo que Sacyr se atreva a retomar a mina; sabe que estamos organizados e que nos atopará desde o primeiro día" Sacyr e a súa filial mineira parece que tamén puxo os seus ollos en Galicia, cre que podería intentalo en Corcoesto? Non creo que Sacyr se atreva. A empresa é suficientemente grande para abarcar moitos proxectos, pero está bastante ocupada en Lousame. Non creo que esta compañía intente reactivar o proxecto da ina en Corcoesto mentres vexa qu a xente segue mobilizada e activa. Saben que estamos organizados, que nos atoparían ás primeiras, que terían que afrontar alegacións e manifestacións desde o primeiro día. Se cadra son demasiado optimista, pero non creo que teñan moitas ganas de intentalo. A loita contra a mina de Corcoesto foi tamén unha batalla por un mode de vida e polo rural... Desde logo que si. Defendemos un xeito de vida, o rural e tamén unha política. Avogar por un sistema sustentable, mesmo polo decrecemento ou algo similar, tamén é unha opción política. "Toda esta mobilización fixo que moitas persoas que nunca se preocuparan pola economía sustentable si que a teñan agora en conta" Cre que máis xente se uniu a esta defensa do rural e dunha economía sustentable? Creo que esta mobilizacións social provocou tamén unha reflexión entre moita xente sobre os modos de vida e sobre o que queremos de cara ao futuro. Fixo que moitas persoas que nunca se preocuparan por estes temas si que os teñan agora en conta e reflexionen sobre eles. Hai máis concienciación sobre moitos temas.
NOS_17331
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, mantivo onte un encontro por videoconferencia dos reitores das Universidades da Coruña, Compostela e Vigo, na que chamou a unificar criterios, fórmulas e calendario de avaliación deste final de curso.
Esas deberán ser, a ollos da Xunta, as bases para a avaliación do estudantado universitario neste cuadrimestre que se recollan nas instrucións de avaliación que as tres institucións académicas teñen previsto aprobar nos días vindeiros nos seus respectivos Consellos de Goberno para regular o final deste curso 2019-2020. O obxectivo, segundo informan desde a Xunta, é tentar minorar o máximo posíbel as consecuencias negativas da suspensión das clases a través dunha fórmula similar na educación non universitaria. Neste sentido, Pomar considerou que o principio xeral das materias do segundo cuadrimestre debería ser flexibilizar, aumentando as posibilidades de elección do estudantado. e avaliar os contidos impartidos e explicados presencialmente nas aulas. No encontro de onte, a titular de Educación sinalou que esa homoxeneización terá que estar aínda máis presente nas titulacións que se imparten en diferentes campus. A ese respecto, pediu que se busque "máxima coincidencia" tanto nos modelos de exame como nas fórmulas de avaliación virtuais. Pomar animou aos reitores para levar parte da carga de exames aos meses de xullo e setembro, a condición de que sirva para evitar a "acumulación e saturación" do estudantado. Organizacións estudantís como Anega teñen manifestado a súa posición contraria á continuidade do curso nesta situación de confinamento derivada da crise sanitaria e mesmo hai unha folga indefinida para reclamar a finalización do curso. Probas da ABAU Na reunión cos reitores, a responsábel da Xunta tamén demandou unha "aínda maior flexibilidade" do modelo de exame de selectividade, en relación á primeira proposta da Comisión Interuniversitaria de Galicia ( CIUG) para o modelo de exame. Segundo indican desde a Xunta, esta é a liña suxerida polo Ministerio e que van seguir noutros territorios. "Non axustarse a ela suporía someter o alumnado galego a un nivel de exixencia maior que o pode prexudicar no acceso a determinadas titulacións", advirtem desde a Consellaría.
NOS_50321
Todo o traballo de Otero se basea nunha referencia orgánica que obviamente ten que ver cunha profunda identificación coa natureza, como se o artista quixese captar dela a súa pulsión, non a súa visión máis epidérmica.
Moi perto da fronteira con Galiza, na cidade de Bragança, ten a súa sede CACGM-Centro de Arte Contemporânea Graça Morais, un espazo cultural que conta coa brillante arquitectura do arquitecto Eduardo Souto de Moura, premio Pritzker 2011, e que, alén de dar a coñecer o traballo da pintora Graça Morais, mantén unha importante dinámica expositiva de artistas portugueses e internacionais. Distopia / Autor: Xosé Luís Otero / Curadoría: Jorge da Costa / Centro de Arte Contemporânea Graça Morais, Bragança (Portugal) / Até o 27 de febreiro de 2022 Até o vindeiro mes de febreiro expón neste local o artista galego Xosé Luís Otero (Nocelo da Pena, Sarreaus, 1966) que presenta o seu proxecto Distopia. Trátase dunha proposta multidisciplinar que conta con diversas instalacións, esculturas, pintura e vídeo repartidos ao longo de todas as salas que conforman o CACGM. Todo o traballo de Otero se basea nunha referencia orgánica que obviamente ten que ver cunha profunda identificación coa natureza, como se o artista quixese captar dela a súa pulsión, non a súa visión máis epidérmica. De aí esa intensa potencia física que deitan as súas pezas, que remiten a tensións profundas e ao mundo telúrico. En Distopia as obras son organizadas seguindo un roteiro que se desenvolve como se fose unha viaxe ao pasado. Un camiño que nos leva á contemplación de naturezas desvastadas e cidades deshabitadas onde case non existen vestixios de quen nelas viviu e que quere reflectir a soidade esencial do individuo, desasosegado na incerteza do presente e alleo a calquera esperanza de futuro.A mostra é entendida como un percurso através da nosa inseguranza esencial para terminar nun bosque de bidueiros idealizado e soterrado pola globalización, que xa aparecía nos primeiros treitos do traxecto expositivo, fechando así o círculo. Xosé Luís Otero preséntanos o retrato da ausencia, dos nosos medos e temores, por medio de espazos dos cales foron arrincados aspectos centrais dunha antiga realidade, o que nos provoca unha sensación de inmobilidade, que unida ao carácter matérico das creacións, favorece a reflexión sobre a relación natureza-memoria, podendo a primeira servir como substituta da segunda, mais tamén a segunda como substituta da primeira, completando circularmente a ambigüidade da memoria. Alén diso, a ausencia humana exalta a súa presenza, a nosa presenza na realidade, creando un paradoxo que é, ao mesmo tempo, visual e interpretativo, sendo simultaneamente materiais realistas -coa súa carga de caos, incoherencia e eclecticismo- e tamén case non naturais na súa soidade desolada. Todo o traballo está en consonancia cun proxecto orgánico que, en certo sentido, o trae de volta á vida amplificando os ecos emocionais. Son "distopías" que poden ter un relato, unha historia, e que nos lembran a necesidade de que o noso universo construtivo estea dotado de sentido, dunha verdade que só desde a asunción da nosa relación co medio natural se pode atinxir.
NOS_40606
A autora ten unha longa traxectoria na dramaturxia amadora. A obra gañadora titúlase 'Reencontro' e será publicada en galego, portugués e castelán.
A autora canguesa de adopción Rosa E. Gantes vén de facerse co II Prémio Platta de Peças Curtas de Teatro - Portugal 2020 coa obra Reencontro. O texto será publicado na colección Platta en galego, castelán e portugués, dentro das actividades da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador co obxectivo de estimular a escrita dramática e promover a súa tradución e difusión nos territorios deste colectivo conformado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado, a Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castela e León, Teatro do Noroeste e a revista galega erregueté. O xurado estivo formado pola actriz Josefa Barreiro, o dramaturgo Ricardo Correia e o gañador do certame en 2019, Xacobe Otero, coa voz sen voto de Vanesa Martínez como secretaria. O veredicto destacou a "situación farsesca proposta con reminiscencias chekhovianas que ofrece un xiro final inesperado, así como o bo desenvolvemento da historia e a súa potencia plástica de cara á escenificación debido ao diálogo que estabelece co mundo da pintura". O veredicto destacou a "situación farsesca proposta con reminiscencias chekhovianas que ofrece un xiro final inesperado" A obra será levada á escena nos obradoiros de lecturas dramatizada en tres linguas dentro do programa de actividades do Festival Transfronteiriço de Teatro Amador organizado polo Teatro do Noroeste, que terá lugar no Teatro Sá de Miranda de Viana do Castelo de 25 a 27 de setembro. A autora Aínda que Gantes naceu en São Paulo (Brasil), está afincada na Galiza desde 1970 e actualmente mora en Cangas do Morrazo. A súa relación co teatro amador arrincaba na década dos 80 dirixindo o Grupo de Teatro Xuvenil de Arbo co que presenta o Entremés famoso sobre a pesca do río Miño. Desde entón ten dinamizado grupos de teatro amadores tanto infantís como xuvenís e de adultos ligados a asociacións veciñais e culturais, entre os que destaca polo seu longo percorrido o Teatro Simalveira, da aldea de Meiro en Bueu. En 1986 fundou o grupo Faba na Ola, no que asinou varias das obras representadas. Até 1992 este colectivo actuou por toda a Galiza e mesmo fixo varias actuacións en Portugal e Brasil. En 1992 Gantes publica na editorial Ir Indo, con outros autores, o libro Como facermos títeres, sombras, carautas e cabezudos. Na actualidade forma parte do grupo de teatro amador Eu.Experimento, ligado ao Centro Cultural Português de Vigo e da Escola Municipal de Artes Escénicas de Cangas.
NOS_44230
Catro revalidas para o fin de cada ciclo e a imposición de contidos "precociñados" en Madrid provocan a reacción das mocidades do BNG que convocarán protestas os vindeiros días.
A "contrarreforma" educativa anunciada polo ministro de Educación español, José Ignacio Wert, activou a resposta das mocidades do BNG para o inicio do curso. Iria Aboi, Secretaria Xeral de Galiza Nova, asegurou que diante este ataque á educación pública exercerán unha "forte oposición" con mobilizacións en toda Galiza. As mocidades nacionalistas consideran que é unha Lei que "degrada ao máximo o ensino público e a igualdade de oportunidades a través da elitización e da españolización da educación". Sobre este aspecto Aboi afirma que "é unha volta ao franquismo" onde o PP "quere impoñer no ensino a súa ideoloxía rancia e caduca." "Pretende limitar que en Galiza poidamos transmitir, mediante contidos propios e específicos, o coñecemento da nosa historia e cultura" denuncia Iria Aboi Trabas ao alumnadoGaliza Nova critica que a nova Lei impoña máis probas para dificultar o desenvolvemento normal na traxectoria educativa do alumnado. "É un escándalo que se pretendan 4 reválidas como remate de cada ciclo, aos 8, 11, 16 e 18 anos", sinala Iria Aboi. quen pon en cuestión a importancia pedagóxica de realizarlle unha proba xeral "a crianzas de 8 anos". Para a Secretaria Xeral a única razón para estes cambios é "clasificar o alumnado e poñer aínda máis trabas á formación das clases populares".Recortes tamén nos contidosAs mocidades nacionalistas tamén denunciaron que os contidos que aproba a "contrarreforma" de Wert danarán o coñecemento que do propio país está a aprender agora o alumnado do ensino público galego. "Pretende limitar que en Galiza poidamos transmitir, mediante contidos propios e específicos, o coñecemento da nosa historia, cultura e da base material da nosa nación, afondando na españolización da mocidade galega", asegurou Iria Aboi. Por todos estes motivos Galiza Nova anunciou que convocará mobilizacións nos vindeiros días en todo o país. "A mocidade galega non vai ficar parada perante estas agresións ao ensino público".
PRAZA_2139
Sectores crecentes da cidadanía española e galega están reclamando tanto novas formas de gobernar como novas formas de representatividade e de participación cidadán. Unha evidencia que nos leva a reivindicalas
ivimos (Europa, España e Galiza) inmersos nun crise sistémica que afecta ao actual sistema capitalista. Unha crise non so económica e social –a faciana mais visible- senón tamén política e institucional. Unha crise político-institucional que atinxe tanto as institucións políticas (gobernos, parlamentos) mais representativas canto aos propios partidos políticos tradicionais de dereitas (liberais e conservadores) e, moi especialmente, de esquerdas (socialdemócratas e comunistas). E canto a estes últimos as evidencias a nivel europeo i español son indiscutibles sendo quizás a socialdemocracia, pola súa maior importancia política, un caso paradigmático pero non exclusivo. Estamos, xa que logo, diante dunha crise tanto de lexitimidade política como de representatividade. Unha proba do primeiro é o feito de que a maioría dos partidos políticos que gobernan nos distintos pobos de Europa fano con políticas que nada teñen que veren cos programas cos que se presentaron as eleccións, podendo dicir que o caso español é galego son paradigmáticos pero non exclusivos –podíamos citar ao goberno francés, o alemán, o inglés… que están desenvolvendo políticas distintas as que prometeron desenvolver-. Unha proba do segundo sería a crecente caída na participación da cidadanía nas distintas contendas electorais. Se a nivel español tanto a socialdemocracia (PSOE) como o comunismo (IU) aparecen, hoxe por hoxe, como forzas políticas sistémicas incapaces non só de elaborar un proxecto alternativo ao neoliberalismo e a crise por este provocada senón de enganchar ca cidadanía e moi especialmente con aquela que está sendo mais castigada polas políticas de axuste fiscal, rebaixa salarial e privatización de servizos públicos. A nivel galego temos o mesmo problema: os partidos sistémicos (PSdG-PSOE e BNG) aparecen tanto impotentes diante dos novos tempos e os novos retos para Galiza e moi especialmente para as súas clases populares como pouco fiables como alternativa de goberno ao PP –moito mais logo do fracaso do bipartito (2005-2009): incapaces ambos de mantelo goberno por mais dunha lexislatura-. As campañas de desprestixio, desprezo e ninguneo que estes dous partidos dirixiron ao 15M resultaron penosas Unha proba empezouse a albiscar na (coincidente) reacción corporativista dos partidos tradicionais diante do fenómeno social do 15.M –maio do 2011-. Si a reacción das dereitas foi a esperada –tratábase de defenderen o seu status fronte aqueles que o cuestionaban- a das esquerdas –en Galicia representadas polo PSdG-PSOE e o BNG- foi relativamente sorprendente pero moi significativa dos fenómenos sinalados: converteranse en partidos sistémicos –propios dun orde-, en partidos con intereses particulares que poñen por riba dos intereses daqueles que din defender. En partidos pouco permeables a crítica, escasamente transparentes e moi pechados. Para PSdeG-PSOE ninguén lle pode cuestionar que é o autentico representante da clase traballadora aínda que cada vez teñan menos traballadores entre os seus dirixentes e reciban menos votos de traballadores. Para o BNG ninguén lle pode cuestionar que é o auténtico representante do nacionalismo galego, dun nacionalismo popular cada veada menos popular entre mais cidadáns galegos. As campañas de desprestixio, desprezo e ninguneo que estes dous partidos dirixiron deica os/as mozos/as do 15M resultou penoso e patético. Pero tamén, para algúns como o que isto escribe, indicativos de que ámbolos dous partidos xa non representaban a quen afirmaban representar. Como lle tiña sucedido a esquerda francesa cando o maio francés (1968) "non entenderon nada" e logo pasou o que pasou –en Francia unha longa e dura hexemonía das dereitas-. Pero o lume que alumeara o 15M seguía vivo e proba deso foron os resultados das derradeiras eleccións municipais e autonómicas –xa houbera un aviso nas eleccións europeas (maio 2014)- celebradas en España (maio 2015) como tamén en Galiza cando os partidos tradicionais (PP, PSdG-PSOE, BNG) recibiron unha enorme vareada, con perdas moi elevados de votos (PP e PSOE perderon 13 puntos, BNG perdeu 3 puntos) e de poder político (no caso do PSOE amortiguadas polas alianzas posteriores). Ao tempo xurdiron dende abaixo novos suxeitos políticos que, ao marxe dos partidos tradicionais e con novas formas de funcionamento e de toma de decisións, ocupan hoxe por hoxe postos de representatividade de indiscutible relevancia (Madrid, Barcelona, Valencia, Cadiz… por citar algúns a nivel español, Santiago, A Coruña, O Ferrol … en Galiza). Estes resultados para moitos de nos foron un unha indiscutible evidencia de que sectores crecentes da cidadanía española e galega están reclamando tanto novas formas de gobernar como novas formas de representatividade e de participación cidadán. Unha evidencia que nos leva a reivindicalas. Sectores crecentes da cidadanía española e galega están reclamando tanto novas formas de gobernar como novas formas de representatividade e de participación cidadán. Unha evidencia que nos leva a reivindicalas Velaí que cando aparecen algunhas voces en Galicia reclamando esas novas formas (como por caso as citadas Mareas) un numero crecente de galegos/as nos sumemos a esas voces e xuntos queiramos animar a que cada vez mais cidadáns galegos/as se sumen a este empeño. Velaí unha das razóns de seren do ENCONTRO POR UNHA MAREA GALEGA do que son un dos primeiros asinantes. Como di claramente o MANIFESTO –transcribo textualmente-, "as eleccións municipais do 24 de maio, como as europeas hai un ano, mostraron que o cambio político en Galicia e no Estado é posible, sempre que se dean dúas condicións: 1. Empoderamento e liderado da cidadanía: a implicación, empuxe e responsabilidade de moitas persoas foron o motor do cambio nas eleccións do 24 de maio e deben selo nas futuras, 2. Confluencia das organizacións políticas, novas e vellas, en apoio das candidaturas cidadás ou mareas, sen dirixilas nin tutelalas, antepoñendo o ben común aos intereses dos partidos. Estas dúas dimensións están presentes nas candidaturas de base asemblearia que emerxeron dos movementos cívicos desde Nunca Máis, Non á Guerra e o 15M até hoxe". Un MANIFESTO que, na miña opinión, coincide co sentir de moitos galegos e galegas que queren un cambio real e profundo para a súa terra. Un ENCONTRO que si inicialmente foi ninguneado tanto polas forzas políticas galegas tradicionais (PP, PSdG-PSOE, BNG) xunguidas aos sistema como polos seus altofalantes, posteriormente e diante da crecente aceptación do mesmo por un número cada vez maior de cidadáns galegos (mais de 1.000 sinaturas de apoio nas primeiras semanas) provocou un cambio de estratexia e agora trátase ben de neutralizalo, ben de rompelo, ben de descabezalo utilizando distintas metodoloxías aínda que case todas xa moi coñecidas. Unha destas metodoloxías é a de un chamamento a UNIÓN con outros movementos que se reclaman cidadáns: non cuestiono –estou seguro- a boa vontade de moitos/as dos/as que fan ese chamamento simplemente digo que de facerse marcará un "cambio de rumbo" en relación ao que se marcou o ENCONTRO POR UNHA MAREA GALEGA, un cambio de rumbo que, na miña opinión, suporía desnaturalizar o proxecto inicial. Resulta indiscutible que calquera chamamento á UNION ten, de entrada, unha boa acollida entre todos aqueles que apostamos por ela Resulta indiscutible que calquera chamamento á UNION ten, de entrada, unha boa acollida entre todos aqueles que apostamos por ela –teño unha moi longa experiencia neste tipo de accións-. Pero eu pregunto: unha UNION de quen e para qué?, unha UNION diferente a que reclama o ENCONTRO?. Estamos todos de acordo, ou non, en que o "empoderamento e o liderado da cidadanía galega" é innegociable?, de que queremos a "confluencia das organizacións políticas novas e vellas, en apoio das candidaturas cidadás ou mareas, sen dirixilas nin tutelalas"?. Estamos de acordo en que eses son só instrumentos para un fin: "promoveren unha candidatura galega que consiga entrar no Parlamento español e defenderen nel a apertura dun proceso constituínte"?. Somos, finalmente, conscientes de que o protagonismo político lle corresponde a outros?, de que o ENCONTRO, ou calquera outra UNIÓN, non pode nin debe querer substituír aos partidos políticos?. Somos quen de deixar os protagonismos persoais, que tanto dano fixeron e fan a esquerda galega, a unha veira e procurar o empoderamento e liderado da cidadanía galega?. Si estamos de acordo cal é o problema para que todos NÓS esteamos xuntos neste ENCONTRO?, por que é necesario crear un novo suxeito social?.
NOS_27
Sexto día sen falecementos e máis de 10.200 persoas curadas.
O coronavirus continúa a reducir a súa incidencia na Galiza, situándose en niveis moi diferentes aos que rexistraba cara á mediados de abril, cando se atinxiu o pico da pandemia. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, esta terza feira, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 503. Deles 112 son da área da Coruña, 31 da de Lugo, 37 da de Ourense, 13 da de Pontevedra, 192 da área de Vigo, 105 da de Santiago, e 13 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 15 están en unidades de hospitalización e 487 no domicilio. Polo de agora, na Galiza hai un total de 10.275 persoas curadas, rexistrándose 618 falecementos. O número de PCR realizadas é de 152.130. Residencias No que atinxe ás residencias de anciás, hai 34 casos activos (4 menos ca onte), dos que 18 son de persoas usuarias mentres que 16 son de traballadoras e traballadores. Os falecementos son 274: 132 en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
NOS_48547
Noia e Barça, que parte como favorito, disputarán o segundo partido.
Os catro mellores equipos da pasada campaña disputan a partir deste sábado a 18ª edición da Supercopa de España de hóckey sobre patíns en Sant Sadurní d'Anoia (Barcelona), co Barça como favorito, e que servirá para abrir oficialmente a tempada. O actual campión e vencedor da Liga Catalá, disputará a segunda semifinal, a partir das 21 horas, fronte ao anfitrión Noia Freixenet, que celebra o 40º aniversario do seu pavillón e recupera, tras 19 anos noutros equipos, ao veterano internacional Jordi Bargalló. Mais antes (19 horas) será a quenda do Liceo da Coruña, segundo clasificado na pasada OK Liga e campión da Copa do Rei, que incorpora esta tempada a Álex Rodríguez, máximo goleador do torneo doméstico na última campaña co Reus. Abrirá as semifinais contra o Laser Caldes, que continúa a manter un bloque novo e moi competitivo, revelación nas últimas dúas tempadas. A final será o domingo ás 19.45 horas. O Barça lidera o palmarés da Supercopa, con once títulos deste trofeo nas súas vitrinas, por dúas do Reus, Liceo e Vic, nunha competición que servirá para pór a proba os teóricos favoritos da OK Liga a unha semana do inicio. Polémica europea Por outra banda, continúa o cisma entre os mellores clubs europeos e a Liga Europea. Os 12 clubs que forman a Asociación Europea de Clubs de Hóckey Patines (EHCA), entre estes o Liceo, o Barça, o Reus, o Noia e o Caldes, anunciaron que non estarán este sábado no sorteo do máximo torneo continental por discrepar co sistema de competición imposto e n última instancia pola Federación Europea. Cinco clubs portugueses (Sporting, Porto, Benfica, Oliveirense, Barcelos), o Forte dei Marmi italiano e o Saint-Omer francés son os outros equipos que manteñen este pulso. Chegouse a un acordo para que a Liga Europea se disputase con dous grupos de oito equipos cada un, a dobre volta e partidos a xogar nas quintas feiras, algo que defendía a EHCA. Porén, 48 horas despois World Skate Europa recuou e mantivo o formato de catro grupos de catro clubs cada un e unha única volta. Tras varias semanas de tirapuxas, a EHCA desmarcouse da Liga Europea e traballa na idea de crear unha nova competición que dea máis visibilidade a este deporte. A EHCA xa anunciou na cuarta feira que os seus clubs só xogarían a Liga Europea de se respectar o sistema acordado en primeira instancia. Desta maneira, o hóckey patíns vive agora un caso similar ao protagonizado polo baloncesto hai uns anos, cando se organizou a Euroliga á marxe da FIBA.
NOS_50406
Múltiples proxectos desenvólvense por todo o país procurando a revalorización da materia prima através da súa transformación.
David Fernández é de formación óptico mais decidiu darlle unha volta á súa vida e volver á casa hai agora dous anos. A súa familia é gandeira desde sempre. "Crieime no rural e na miña casa sempre houbo vacas", explica en conversa con Sermos Galiza como parte da reportaxe Outra forma de transformar o leite, que publicamos no número 180 do semanario en papel. "Decidín apostar na transformación para sacar o meu soldo" Contan con entre 45 e 50 cabezas de gando que muxen "tres veces ao día". Cando chegou de volta a Touro "había unha crise que facía inviábel meter máis cabezas de gando e decidín apostar na tranformación", di David Fernández. Para "gañar o meu soldo" este gandeiro decidiu outorgar valor engadido á materia prima –o leite-- producindo iogur. "Da outra produción non podía sacar un salario máis", sinala. O nome co que se comercializa, Gurgur, saíu da crianza dun primo de David, "pedía o iogur así e pareceunos que era doado de lembrar" e mesmo ten gancho. Na actualidade transforman aproximadamente 300 litros á semana, dun total de 1.800-2.000 diarios, dos que sacan dúas liñas de produción. Un envase de 4 kg., que distribúen entre estabelecementos hosteleiros da contorna e outro de 140 gr., dirixido tamén a restaurantes e casas rurais, principalmente. Venda directa e de proximidade "Estamos moi focados no Camiño" de Santiago, afirma David Fernández quen entende que "existe un nicho de mercado para nós". Porén, acrecenta, "o complexo é vender, non transformar". "Se damos vendido a un quilómetro non vendemos a dous polos gastos de desprazamento" A receita do seu iogur Gurgur é "sinxela", afirma, "o problema é colocalos no mercado". Ao igual que acontece con outras iniciativas semellantes, como é o caso de Arqueixal, David Fernández optou pola "venda directa" tecendo unha "rede local". "Se damos vendido a un quilómetro non o vendemos a dous", apunta, "polos gastos de desprazamento" que supón. Neste senso, describe a súa distribución como "radial" e na "área de Compostela". Perante a crise que atinxe o sector lácteo galego a transformación sitúase como un elemento chave para a viabilidade das explotacións, quer de maneira individual, quer colectiva. E é que nun dos princiapais países produtores –o maior territorio no Estado español e o terceiro da UE—Galiza continúa a percibir en orixe os prezos máis baixos.
NOS_6003
Isidoro Álvarez, presidente dos coñecidos almacéns, morreu aos 79 anos en medio dunha vaga de despedimentos silenciados na súa empresa e entre acusacións de impoñer un modelo laboral abafante.
Unha insuficiencia respiratoria que tivo lugar a principios de semana acabou este domingo coa vida de Isidoro Álvarez, presidente de El Corte Inglés, aos 79 anos de idade. Era este todo un símbolo da burguesía española, un empresario que a pesar da súa fama de discreto, bastante discutíbel, estaba sempre entre o máis selecto das elites gobernantes españolas, xa, mediante ascendencia familiar, desde o franquismo. Moi relacionado con sectores católicos conservadores, Isidoro Álvarez dirixía tamén un imperio económico que creou escola e non precisamente polo respecto aos dereitos do persoal. Baixo un discurso paternalista, El Corte Inglés destacou sempre polas súas imposicións sen posibilidade de réplica, a ausencia total de sindicalismo combativo dentro da empresa -si amarelo, agás algunha contada excepción- ou a obsesión de que os seus centros abran sempre cada folga xeral, o que converteu a estes grandes almacéns en todo un símbolo para @s manifestantes. Despedimentos Nos últimos tempos, El Corte Inglés tamén destacou por pagar a crise con despedimentos, máis ou menos agochados a nivel público, xa que a política da empresa de Álvarez sempre pasou polo absoluto control -investimentos publicitarios mediante- dos medios masivos de comunicación, que nunca informan de nada negativo sobre a mesma. Segundo algúns dados, uns 15.000 traballadores deixaron o seu posto desde 2011. Agora desaparece o patriarca, na mesma semana na que faleceu outro dos máis importantes persoeiros da burguesía española: Emilio Botín.
NOS_5736
Patricia López é unha das xornalistas de investigación máis recoñecidas do Estado. Directora do xornal 'Crónica Libre', vén de dar a coñecer unha gravación entre o comisario Villarejo e o director de 'La Sexta', Antonio García Ferreras. Hoxe explica para 'Nós Diario' a operativa e o funcionamento das cloacas do Estado.
—Cando se fala das cloacas, a primeira idea que vén á cabeza e a duns policías corruptos, pero que hai detrás desa imaxe tópica?Hai dous aspectos que debemos diferenciar. O normal é que haxa policías que traten con narcotraficantes, terroristas, traficantes de armas e en xeral co mundo do lumpen e, outra cousa, como acontece neste caso, é que os policías sexan o lumpen. Isto, máis que cloacas, é unha organización criminal que se apoderou dos poderes do Estado. O que imos atopando, partindo da cloaca policial, é que esta ten unha pata mediática, unha pata empresarial e outra, que é indispensábel, que é a súa pata xudicial. Isto xa non é un grupo de policías corruptos, é unha organización criminal que tomou o poder. —O domingo facía público no seu xornal, Crónica Libre, unha conversa entre o comisario José Villarejo e o director de La Sexta Antonio García Ferreras sobre Pablo Iglesias, e esta terza feira recollía outra parte da mesma referida a Juan Carlos Monedero e a Pedro Sánchez. Que destacaría da derivada xornalística das cloacas?Eu din a coñecer ese xantar entre Ferreras e Villarejo en 2016. Foi un xantar que durou catro horas, polo que queda aínda moito por sacar do mesmo nos próximos días. Aquel día de 2016 en que publiquei a nova, Antonio García Ferreras chamou ao xornal onde eu traballaba para dicir que a comida fora intranscendente e que a conversación versara sobre unhas pílulas para o corazón, que comercializaba Adrián de la Joya [socio do comisario José Villarejo]. Polo tanto esta gravación vén demostrar que o que dixen en 2016 era certo e que todos aqueles que me vetaron nas televisións como Ferreras ou Mauricio Casals [presidente do xornal La Razón] ou que vetaron as informacións ou incluso que nunca as testaron non é que fosen malos xornalistas, senón que estaban ao servizo doutra causa que non era a de ter os cidadáns informados, senón máis ben perdidos ao servizo do capital, é dicir do seu xefe. Villarejo recoñece ter cometido "accións absolutamente ilegais" para frear o independentismo —Un dos aspectos que máis sorprende é a impunidade coa que actúan os representantes máis significados das cloacas, iso quere dicir que contan con conexións e complicidade do poder político ou do poder xudicial?Digamos que isto é como unha roda, unha roda que dá voltas cando funcionan todas as pezas que fan parte dela, de feito se algunha destas non funcionase, a roda non daría voltas. Aquí é necesario o político, o policía, o empresario, o medio de comunicación e a xudicatura. Nós comezamos o domingo en Crónica Libre cun mapa da Unidade da Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF), unha presunta organización criminal segundo a nosa investigación e segundo investigacións que se levan a cabo na Audiencia Nacional. A UDEF, estaba dirixida polo comisario Villarejo xunto co seu entrañábel compañeiro, o comisario José Luis Olivera, que agora está con Luis Rubiales na Real Federación Española de Fútbol. A partir de aí, había outros mandos por debaixo aos que se lles facía mudar os informes ao gusto do cliente que estas persoas tivesen. En definitiva, isto é unha unidade de elite policial, fabricando delitos económicos. —Precisamente, un antigo responsábel da UDEF nese período, Manuel Vázquez, rematou como xefe superior da policía na Galiza?Manuel Vázquez foi quen finalmente puxo a sinatura para branquear o informe PISA [informe falso contra Podemos elaborado en 2016] e envialo ao Tribunal de Contas, debido a que ningunha xurisdición penal, malia os intentos de Manos Limpias o aceptou porque calquera xuíz ou fiscal sabía que estaban prevaricando en caso de aceptalo, ao non seguir os protocolos que deben cumprir os informes para ser policiais. Villarejo recoñece nun audio apuñalar a doutora Pinto —As vinculacións do poder económico con esta trama apareceu documentada en diversos procedementos, saíndo á luz nomes de empresas tan coñecidas como Iberdrola, BBVA ou La Caixa. Que lle parece o más relevante deste capítulo?O relevante do capítulo económico das cloacas é que, durante a Transición, os policías que estiveran metidos nos asuntos máis turbios do Ministerio do Interior foron convidados a marchar da policía a cambio de bos postos en empresas como o Banco Santander, BBVA ou Iberdrola e con isto axudaron a facer espionaxe industrial. Curiosamente nestas catro horas de comida entre Villarejo e Ferreras que nos quedan por desvelar, hai encargos contra outros empresarios e políticos doutra cor que non é a morada. A conexión galega das cloacas Patricia López leva desde 2016 desvelando a historia das cloacas. Neste sentido, considera que "para que a cloaca sobreviva móvese á dereita e á esquerda e claro, moitas veces os que pagan, case sempre, son os empresarios". Villarejo actuou contra Bárcenas por orde de Raxoi Ao tempo, repasa a conexión galega das mesmas, onde aparecen os nomes do antigo director xeral de Inditex, Juan Carlos Rodríguez Cebrián, de Manuel Vázquez, de Baltasar Garzón ou de Sito Miñanco. López lembra que descubriu lendo Fariña, de Nacho Carretero, que o alcume de 'Mago' era "o nome que puxeran a Baltasar Garzón durante a Operación Nécora", en relación á causa dos Pérez Maura [navieiro cántabro defendido por Garzón e condenado en Guatemala por tráfico de influencias]. Asemade, destaca que o propio Villarejo recoñeceu que "a detención de Sito Miñanco foi posíbel por Monzer Al Kassar, o traficante de armas íntimo amigo do comisario".
NOS_18157
O alcalde cre que as direccións dos partidos deben facer "o que consideren" e "o que determinen os seus estatutos".
O PP informa que acordou abrir expediente disciplinario aos cinco concelleiros do municipio de Sada que apoian a moción de censura contra o alcalde Benito Portela, da formación Sadamaioría, que previsibelmente decorrerá o próximo día 18 de novembro, por "actuar contra as instrucións e directrices da dirección do partido e por danar coa súa precipitada actuación a imaxe, a credibilidade e o interese xeral do partido e dos veciños en Sada". O Partido Popular di que responde así á petición trasladada desde a dirección provincial do partido na Coruña ante a moción presentada por estes cinco edís xunto con outros dous de Alternativa dos Veciños e dous máis do PSdeG. O alcalde de Sada ve "intereses personalistas" na moción de censura e os edís do PSdeG enfróntanse á expulsión Nun comunicado, o PP explicou que esta moción "non foi autorizada en ningún momento, nin pola comisión xestora do PP de Sada, nin tampouco pola dirección provincial ou autonómica do Partido Popular". "É máis, tan pronto como se tivo coñecemento da súa firma, solicitóuselles a estes cinco concelleiros e ao seu portavoz municipal a súa retirada e trasladóuselles de forma clara e expresa a desautorización da dirección provincial", detallou o PPdeG. Pola súa parte, o alcalde de Sada, Benito Portela, en relación con esta decisión do PPd, evitou "meterse en temas doutros partidos", maiso sostivo que as formacións implicadas deben facer "o que consideren" e "o que determinen os estatutos dos seus partidos". A moción de censura contra o alcalde de Sada decorrerá o vindeiro 18 de novembro "Son nove concelleiros tránsfugas", reafirmou despois de coñecer a apertura do expediente dos populares galegos, que se produce despois de que Alternativa dúas Veciños acordase abrir expediente disciplinario e suspender de militancia preventivamente aos dous edís da formación que promoveron a moción de censura. Este sábado, o rexedor, acompañado do resto de edís do Goberno, acode ao Feirón para explicarlle a quen o desexe "en que consiste a moción de censura". Alí, repartirán folletos informativos nos que a súa formación, Sadamaioría, denuncia o que consideran un "golpe á democracia" en Sada e detalla que se trata dunha moción de censura de "tránsfugas" en contra "da vontade da cidadanía e dos propios partidos". Así mesmo, nesta nota informativa afirman que coa moción "o único que pretenden" é "chegar ao poder municipal, ao prezo que sexa". "Non veñen solucionar nada. Só queren desprazar a Benito Portela, o alcalde que votou maioritariamente a cidadanía de Sada", reflicte o texto.
NOS_44410
O Parlamento solicita dous billóns para o esperado plan do Executivo, que xa estaba previsto para o 6 de maio. Por outra banda, o Tribunal de Xustiza da UE emitiu unha sentenza contra Hungría.
O Parlamento Europeo ten previsto aprobar hoxe unha resolución coa que busca aumentar a presión sobre a Comisión Europea ante a presentación da súa proposta do Fondo de Recuperación, que xa acumula varios atrasos. A primeira data prevista era o 6 de maio e agárdase que finalmente vexa a luz a vindeira semana. Neste sentido, a presidenta do Executivo comunitario, Ursula von der Leyen, convocou tamén para hoxe unha xuntanza extraordinaria. Na súa intervención na cuarta feira ante a Cámara, asegurou que o plan permitirá "axudas directas" e centrarase en tres aspectos básicos: investimento, solvencia e sanidade e que poderá comezar este mesmo ano. Con todo, Von der Leyen non precisou a canto ascenderá a cantidade final, ni que parte irá destinada a transferencias e cal a créditos a devolver. Dous billóns de euros Os cinco principais partidos da Eurocámara ─socialistas, populares, liberais, verdes e conservadores, unha maioría de 80%─ uníronse para asinar unha resolución onde solicitan un fondo de dous billóns de euros (arredor de 14% do PIB da UE) a pór en marcha neste ano. Ademais, piden que careza de condicionalidade ─sempre que o país perceptor combata a evasión fiscal e o branqueo de capitais, e cumpra cos valores da UE─. Tamén, que os recursos que reciba cada Estado sexan maioritariamente subvencións a fondo perdido, tal e como piden os membros do Sur, aínda que unha parte se poida formalizar como préstamos, que é o que reclaman os do Norte para todo o conxunto da actuación billonaria. A resolución que será aprobada hoxe exixe ao Executivo comunitario que se afaste dos mecanismos de enxeñaría financeira, eses que permiten estabelecer un orzamento alto en previsión de cálculos de multiplicación posteriores. A Eurocámara tamén advirte contra o deseño dun fondo que vaia en detrimento do Marco Financeiro Plurianual (MFP), os orzamentos europeos, e lembra á Comisión debe contar co Lexislativo e que o Parlamento debe dar o seu consentimento ao MFP. Sentenza contra Hungría Por outra banda, o Tribunal de Xustiza da UE sentenciou onte que Hungría mantén detidos ilegalmente solicitantes de asilo na zona de tránsito da súa fronteira sur con Serbia, e exixiu a posta en liberdade destas persoas, xa que a súa retención vai en contra do dereito da UE. En concreto, a sentenza examina o caso de cidadáns afgáns e iranianos, demandantes de asilo, que permanecen nunha zona de tránsito na fronteira serbo-húngara. Estas persoas chegaron a esta situación tras lles ser denegado o asilo en Hungría, e Serbia negarse a readmitilos.
NOS_19025
Incrementou en 0,4%, unha porcentaxe só igualada polas Baleares. Nas outras autonomías o aumento foi menor ou mesmo houbo unha redución neste tipo de partidas. 62% dos hospitais que hai en Galiza son privados, a cuarta maior porcentaxe de todo o Estado.
A evolución das partidas destinadas a concertos coa sanidade pública nestes anos sitúa Galiza como o territorio onde este concepto rexistrou un maior aumento porcentual. Segundo recolle o informe 'Sanidade privada, achegando valor 2019' , elaborado polo Instituto para o desenvolvemento e integración da sanidade, o maior incremento en porcentaxe nese capítulo no conxunto do Estado español deuse en Galiza e Balears, con 0,4% de aumento. No caso do noso país son case 230 millóns de euros os que se orzamentan nesa partida. 62% dos hospitais que hai en Galiza son privados, a cuarta maior porcentaxe de todo o Estado No resto dos territorios ese concepto rexistra unha suba menor que na Galiza ou, como Aragón, por exemplo; esa partida descende a respecto de anos anteriores. No mencionado informe tamén se recolle como entre 2007 e 2016 a taxa de medre anual do gasto destinado a concertos en Galiza foi de 1,1%. Os dados do estudo permiten ter unha radiografía da sanidade privada no noso país: así 23 dos 37 hospitais que hai no noso país son privados, o que supón 62% do total. É a cuarta maior porcentaxe de todo o Estado en maior peso da privada. A isto engádese que 24% das camas hospitalarias son da sanidade privada (2.357 de 9,800) ou que 28% das intervencións cirúrxicas fanse na privada. Isto é, unha de cada catro. O importante peso que ten a privada na sanidade reflíctese tamén en que nela aténdense case 22% das urxencias e danse máis de 20% das altas. 39% dos equipos de alta tecnoloxía están en hospitais privados Tecnoloxía En Galiza 39% dos equipos de alta tecnoloxía están en hospitais privados. Unha situación que é especialmente notoria no que atinxe a equipos de resonancia magnética (59%). Ou nos de litotricia por ondas de choque – que se empregan para tratar cálculos no ril, vexiga -e onde 50% están na sanidade privada. A mesma porcentaxe que nos equipamentos de tomografía por emisión de positróns, empregado en medicina nuclear. O clamor de profesionais e usuarios contra o deterioro e precarización da sanidade pública galega após estes anos de recortes está abalado non só pola propia realidade e experiencia diaria de ambos os dous colectivos senón tamén por estudios e informes que certifican esa perda de calidade asistencial. Un documento que periodicamente elabora a Federación de asociacións para a defensa da sanidade pública (Fadsp) afonda nesa realidade. Un informe no que radiografía e toma o pulso aos servizos sanitarios dos diferentes territorios no Estado español en base a datos concretos, como o gasto sanitario per cápita, número de camas por habitante ou duración de listas de agarda. Galiza baixa no último informe, correspondente ao 2018, tres postos no taboleiro que fai a Fadsp en base á combinación de todos estes criterios. A sanidade galega estaba de oitava en 2017 e agora está de décimo primeira. No informe de 2013 era o sexto territorio en calidade de servizos sanitarios. Abandona o grupo de "servizos sanitarios regulares" para pasar a facer parte dos "servizos sanitarios deficientes". As comunidades con mellor puntuación, e que lideran o grupo das que teñen mellores servizos sanitarios, son Euskadi e Nafarroa, con 94 e 83 puntos respectivamente. Galiza ten 71 puntos (5 menos que o ano pasado), a 23 do territorio mellor valorado.
NOS_40774
A localidade arousá de Vilagarcía acolle esta sexta feira a primeira edición da Regata da Muller, carreira configurada tamén como etapa inaugural da Liga Galega de Vela Feminina. Esta competición exclusiva para mulleres nace, segundo a Real Federación Galega de Vela (RFGV), coa intención de "incentivar" a súa participación no mundo da vela, "onde aínda son minoría tanto nas probas como no estamento federativo", a pesar de que, resaltan, é "un dos deportes máis igualitarios".
Presentada oficialmente durante a xornada de hoxe nun acto desenvolvido na sede da RFGV, a Liga Galega de Vela Feminina terá como sede as inmediacións do Centro Galego de Vela -situado á beira das augas da Ría de Arousa- e estará estruturada en catro fases diferentes: a de hoxe día 19 de marzo e outras tres programadas para o 24 de abril, o 8 de maio e unha última o 22 de maio. Estas complementaranse cunha regata con participación de cinco tripulacións femininas de distintas partes do Estado que se verán as caras coa mellor embarcación da Liga, estendéndose ao longo da primeira fin de semana de xuño. O formato de competición da regata é o tradicional "todas contra todas", pois o conxunto das tripulacións enfrontaranse entre sí en cada proba. Ademais, haberá xuízo directo no mar e realizará un percorrido barlovento/sotavento. Por outra banda, as participantes aspiran a conseguir un dos premios que recibirán as tres primeiras tripulacións. Unha oportunidade de formarse no mundiño Desde a Real Federación Galega de Vela consideran que este "evento único" debe ser aproveitado, a maiores, para "a promoción e a formación de deportistas e técnicas no mundo da vela", polo que invitan "cun único fin formativo" a que distintas mulleres "poidan crecer no panorama náutico como técnicas profesionais no noso deporte", converténdose en xuízas, balizadoras e oficiais. Por iso, realizan un chamamento a "todas as federadas interesadas" a acceder a estas formacións enviando a súa solicitude a través do correo electrónico [email protected] Os barcos de Echegoyen e Toro As embarcacións que empregarán as tripulacións que sexan da partida na Liga Galega de Vela Feminina en Vilagarcía de Arousa será o Elliot de seis metros, que lles será proporcionada pola organización da competición. Esta nave é de grato recordo para o deporte galego, pois con ela as galegas Támara Echegoyen e Sofía Toro proclamáronse campioas olímpicas nos Xogos de Londres 2012 na clase Match Race, converténdose así nas primeiras mulleres na historia olímpica da Galiza en gañar unha medalla de ouro. Agora, e tras o éxito do Europeo Júnior de 2019 de 420 e 470 desenvolvido en Vilagarcía, a Real Federación Galega de Vela decide empregar cinco barcos desta clase adquiridos pola Xunta da Galiza en 2009 -máis outros catro pertencentes á Real Federación Española de Vela- para que arredor deles pivote esta nova Liga Galega de Vela Feminina. Empregado por primeira vez en Nova Zelanda no ano 2000, esta embarcación precisa de catro tripulantes e consta de 2,35 metros de manga cun calado de 1,66 metros
PRAZA_11418
Noraboa, lográchedelo. Porque iso era o que íades procurando, o medre das posturas máis extremas, as diferentes ás nominais ata o de agora, non? Tentando igualar a corrupción por arriba, tomando unhas decisións mentres que se manifestan outras,
Noraboa, lográchedelo. Porque iso era o que íades procurando, o medre das posturas máis extremas, as diferentes ás nominais ata o de agora, non? Tentando igualar a corrupción por arriba, tomando unhas decisións mentres que se manifestan outras, con loitas internas solucionadas cun liderazgo non forte, senón baseado na eliminación do contrario, con esquecemento das persoas, substituídas por grandes palabras de anuncio, e sobre todo, botándolle a culpa o outro, xa sexa partido ou sinxelamente a quen é diferente, e criminalizándoo, polas verbas e polas leis. Procurando o poder polo poder, non polo ben común, e tomando o pobo por tonto refén... e esas cousas, en xeral, sábenas facer mellor quenes menos escrúpulos teñen, polo que medrarán máis.Na noite electoral, unha vez máis, polas verbas que se ían escoitando e máis aínda polos letreiriños que se ían desprazando en pantalla, viuse o número de escanos, o produto, que representa ós políticos, moito moito máis que o número de votos, que representan as persoas, ou as porcentaxes, que representan á sociedade. Escanos, non votos nin porcentaxes: hai que ir ó práctico. E cando se asume iso, o práctico é o diferente se se percibe que o vello non funciona. E 'o novo' pode ser mesmo o que se ten esquecido, sempre que non se deixara ver demasiado nos últimos tempos como vello. O empaque dourado da propaganda pode variar a tendencia, pero non eliminala. Máis aínda, cando a propaganda baséase en fume, de novo os prestidixitadores maiores son quenes máis práctica teñen en enganar.Coido que se pode falar de partidos concretos, pero, despois das eleccións, para que? Para botar as culpas a alguén, poñendo o énfase nunha cara, nunhas siglas, para que a cousa sexa máis directa, personalizando para poder atacar mellor e esquecendo o resto de culpa? Coido que é máis ben cousa de tomar conciencia de que o cancro esténdese a tódolos tecidos, aínda que non todos esteñan igual de contaminados. De tomar conciencia de que o pobo, refén dun sistema, é ó tempo quen o mantén, e polo tanto, quen pode cambialo. Quen ten que cambialo cambiándose a si mesmo.E non, está demostrado que facendo as mesmas cousas chégase ó mesmo sitio, que para chegar a un lugar diferente hai que facer as cousas de xeito diferente, polo que raro sería que facendo a mesma política o resultado fose diferente...
QUEPASA_515
Este luns, Fran Figueroa nos directos de instagram de QPC
David Velo, xogador e preparador físico do Sporting Zas, danos o seu punto de vista sobre a volta o fútbol na nosa comarca tras esta crise sanitaria. QPC: Persoalmente como estás levando este confinamento? Sabendo que na familia e no ámbito cercano non temos ningún caso de COVID-19 non me podo queixar. O mínimo que podemos facer é seguir as recomendacións dos expertos e quedar na casa. Ben é certo que ó estar na casa lévase mellor que estar no piso. Poder saír nestes momento é un privilexio. Quizás esto nos sirva para valorar máis as pequenas cousas. QPC: Como preparador físico do clube, mandaches algúns deberes aos futbolistas para este parón? Consideramos que agora son prioritarios outros asuntos como a saúde en xeral e non mandamos tarefas específicas. Si é certo que dentro que os resultados non acompañaron durante a temporada, estábamos nun bo nivel físico. Creo que foi clave para conseguir o bo resultado contra a Esteirana, un dos candidatos o título. Fumos o parón cun bo sabor de boca e agora pendentes das decisións que se tomen para ver si se reanuda a competición. Esperamos que si esto sucede que teñamos un periodo de adaptación e xa sabes como é Raúl Periscal, o traballo e o número de sesións semanais son innegociables. QPC: Paco Jémez, adestrador do Rayo Vallecano, pide que cando se poida volver a xogar, dar un tempo de "pretemporada" porque os xogadores volverán moi mal de forma, ti que opinas? Non podo valorar unha preparación física no ámbito do fútbol onde non esté presente unha das partes máis importantes de este gran deporte como é o balón. Estando na casa é moi complicado os traballos específicos con el. Por eso considero que é imprescindible, non só a nivel afeccionado, tamén a nivel profesional. Por moitos recursos cos que conten os equipos profesionales ó xogador fáltanlle eses esforzos con balón, a sensación de estar no campo, o traballo en grupo, aspectos tácticos, as dimensións… A nivel afeccionado necesitamos un periodo de adaptación tamén. QPC: No fútbol profesional falan de partidos cada 72h e de facelo a porta cerrada, algo impensable para o fútbol modesto, non? Para min non ten lógica o fútbol sin os afeccionados a nivel profesional e menos incluso a nivel amateur. Certo é que debemos acatar as decisións que se tomen, pero sobre todo ten que primar a salud por encima de todo e apartar decisión económicas ou políticas en beneficios propios. Oxalá esto termine e podamos disfrutar do fútbol costeiro máis pronto que tarde, pero estando todos. David Velo xogando co Zas nas Redondas QPC: Equipos que estaban en dinámica tanto gañadora como negativa, a volta será empezar de novo sen ese impulso de ánimo? Como dixen antes nós terminamos nunha boa dinámica, pero despois de un parón tan grande teremos que volver a empezar. Aspectos psicolóxicos e motivacionais van ser tan importantes como os físicos nunha hipotética volta a competición. Temos un grupo moi unido e eso vainos axudar a seguir disfrutando cando esto termine. QPC: Matematicamente non estades descendidos, pero si vos faria falta un milagro para a salvación, como deixarias a liga, intentar rematala, acabala así como esta ou dar a tempada como nula? Teremos que asumir o que nos digan, pero calquera decisión que se tome non é fácil. Ter a todos contentos é imposible. Equipos na zona baixa queren que se anule a temporada e volver competir na misma categoría e non descender, pero equipos que estaban cerca do ascenso querrán que se termine para intentar conseguir o objetivo.Personalmente opino que si non hai garantías de competir con seguridade de posibles contaxios, que a competición se ten que dar por terminada. Entrevistas en directo por imstagram Os mellores momentos da entrevista a Oscar Leis en QPC. Entrevistas #Futfem José ángel e Graci, do Mazaricos Fem.: "A aprendizaxe foi brutal xa que melloraron a un ritmo tremendo". Saskia, xogadora do Bergan: "Ano de aprendizaxe onde hai que pelexar por un posto contra xogadoras máis veteranas.". Alba Trillo, xogadora do UC Cee: "Xogar a fase de ascenso no primeiro ano estaría moi, moi ben!". Pati, capi das Miúdas: "O noso punto forte é saír en equipo ao terreo de xogo". Os traballadores na sombra Barrié, alma do Ponteceso: "Non teño data de caducidade. Cando a teña será cando Dios queira". Fernando, alma do Ameixenda: "O fútbol afeccionado está a perder a esencia de ver rapaces xogando nos equipos do seu Concello". Rama, alma da Esteirana: "Sabes o gusto que dá poder levarte ca maioría dos xogadores cos que tiveches relación?". Manolo López, alma do Dumbría: "Levo anos viaxando por moitos campos e máis ou menos sempre estamos os mesmos". ENTREVISTAS do Fútbol da Costa en QPC Miguel A. Domínguez Formoso: "Espero que a creación das seleccións comarcais de fútbol base faga que os rapaces comecen a despuntar". David González, adestrador do Xallas: "Firmo ser o equipo máis goleado e gañar os partidos 4-3" Iván Rojo: "Non estou ao meu mellor nivel, pero vouno suplindo con goles". José Manuel, adestrador do Cabana: "Está claro que se fose en outro club se cadra xa non estaba aquí". María López Souto, presi do Laxe: "A SD Laxe, por historia, ten merecido xogar na Liga da Costa". Duda: "En ningún momento baixaremos a garda, sabendo que pode haber entre 2 ou 3 arrastres e que cada punto vale ouro". Juan de Dora: "En canto saín dos vestiarios non vía nada, só o fume verde e a xente cantar". Dido e Adrián Parga analizan o crucial derbi de parroquias. Curro: "Os afeccionados teñen que entender que foron moitos cambios xuntos, e leva o seu tempo" Brais (Buño): "Dannos por mortos todos os anos e sempre, ou case sempre, os obxectivos cúmprense". Adrián Lema: "A directiva apoiume siempre. Loxicamente non gusta, pero a decisión foi falada entre todos". Marcos González: "Os pais, ás veces, son os responsables das frustacións dos rapaces, moitos pensan que teñen Messis na casa". Diego Lobelos, adestrador do Muxía: "O Cairo é outa historia, pero a este equipo encántalle xogar estos partidos". Manu Guillamet e Jairo explican as claves do seus importantes goles. Juan Porrúa, adestrador do Montelouro: "A 3ª está sendo máis competitiva do que esperaba". Bruno Méndez: "Todo o que proba de árbitro, quédase". Bieito e Basti analizan o derbi soneirán de 1ª. Os adestradores dos 4 primeiros analizan a Liga Xuveni. Miguel Ramos: "A intensidade e concentración coa que se viven e disputan os partidos aquí, só pasa na Costa". Miguel Chouza, adestrador do Castriz: "O Fútbol da Costa é como unha burbulla que se mantén allea ás contaminacións do fútbol moderno". Chicho, adestrador do Mazaricos: "O Fútbol da Costa cúrteche moito". Juni, adestrador do Coristanco: "Sempre lle estarei agradecido a esta directiva por ter a valentía de poñer un proxecto tan ilusionante nas miñas mans". Tolo: "Sen o traballo de toda a xente "invisible" do club non estaríamos aí". Ordóñez e Abel analizan o derbi, por todo o alto, Camelle - Camariñas. Pesco e Julián fálannos do rexurdimento de Xallas e Volantes. ángel López e Alberto Rodríguez analizan o derbi de Preferente entre Fisterra e Sofán. Pablo Mallón e Lelo falan do derbi pontecesán: "Un derbi é un derbi sexa a hora que sexa". Iván Cancela e Cantudo, conversa cos adestradores da Selección Galega. Pedro Gómez e Santi Cambón: Dous carballeses, con casa en Verdillo, que lideran as táboas de 1ª Galicia e da Liga da Costa. Raúl Periscal: "Hai que volver ás orixes e deixarse de pagar, e facer unha base con xente da casa" Christian Caamaño e Iván Bouzón analizan ao detalle o derbi verde da Preferente. Pepe Wii e Jati: O Porteño – Camelle comeza a xogarse en QPC. Basti e Rivi analizan o derbi costeiro entre o Soneira SD e o CF Dumbría. Pablo Conde: "Só buscamos que a xente que saíu das categorías base se asente". Lelo: "Sempre foi unha ilusión adestrar ao primeiro equipo".
NOS_30665
Núñez Feijóo considera que a xestión sanitaria "adoece de rixideces propias dunha oficina administrativa"
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que a xestión sanitaria adoece "dunhas rixideces propias dunha oficina administrativa" polo que defendeu que se poida "experimentar", segundo as súas propias palabras, con "instrumentos de xestión privada que teñen acreditada a súa credibilidade e a súa aptitude". Iso si, Feijóo afirmou que esas "experiencias" non se realizarían no "núcleo duro" da Sanidade. "Hai instrumentos de xestión privada que teñen acreditada a súa credibilidade e a súa aptitude" Preguntado nos almorzos informativos de Europa Press se en Galiza está a se considerar o fomento do sector privado na sanidade, o presidente da Xunta fixo unha diferenciación entre o que cualificou de "núcleo duro" sanitario e o resto. No primeiro, no que entraría a administración médica en apartados como o bloque quirúrxico ou as probas diagnósticas, amosouse partidario de que se "poidan facer con instrumentos de xestión pública". Pola súa parte, considera que "se poida experimentar con outros instrumentos" noutros ámbitos da sanidade pois na actualidade, apuntou, a xestión ten "unhas rixideces propias dunha oficina administrativa e impropias dunha organización complexa como é un hospital". "Na miña opinión non hai xestión privada ou xestión pública, hai xestión ben feita e mal feita", concluíu, á vez que engadía que hai "determinadas cuestións que se poden facer perfectamente externalizando" sempre que haxa "seguimento, control e calidade". Recortes Segundo denunciou a oposición a finais do pasado mes de abril, os orzamentos dos tres anos de mandato de Núñez Feijóo en Galiza apuntan un recorte de 900 millóns de euros en sanidade e educación, o que significa unha redución de 300 euros por habitante.
PRAZA_573
As exixencias da Liga aos clubs para acabar cos colectivos ultras nos estadios inclúen tamén a orde de que os recintos deportivos "queden para as expresións de apoio aos equipos" e reclaman que "en ningún caso" se permitan símbolos "alleos ao deporte".
A Liga de Fútbol Profesional (LFP), no seu intento por acabar coa violencia nos estadios, endurece as restricións de acceso aos estadios, así como os requirimentos para que un símbolo poida ser exhibido nun campo. Nun documento recibido polos 41 clubs de Primeira e Segunda División, convídaos a inscribir nun rexistro a todos as peñas de animación e tamén a todos aqueles colectivos que se denominan ultras e que, na maioría dos casos, non figuran na listaxe de seareiros ou nin tan sequera como colectivo de animación na lista de peñas dos equipos. A LFP pretende que os ultras, ou cando menos a súa simboloxía explícita, desapareza dos estadios No intento por deter a violencia ultra -e cunhas medidas que se impulsaron e aceleraron tras o asasinato en Madrid do afeccionado do Deportivo Francisco Javier Romero Taboada, Jimmy- a LFP, da man do CSD, exixe uns cumprimentos aos clubs baseados na Lei contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte -reforzada hai cinco anos- e que nunca foi cumprida de todo. A idea é facer desaparecer o movemento ultra ou, cando menos, a súa expresión explícita nos campos, onde se fomentan bancadas de animación como as que xa hai no Santiago Bernabéu ou en Mestalla. No texto da LFP, prohíbese aos clubs manter cos ultras calquera tipo de relación de apoio, cobertura, dotación de infraestruturas ou xestión de entradas e desprazamentos. Ademais, controlará tamén aqueles colectivos de seguidores que sen estar nas listaxes manteñan de maneira notoria non xa a súa presenza nos campos de fútbol senón tamén a través de páxinas web, contas en redes sociais ou se dediquen á venda de material identificativo do grupo. E esixe aos clubs que lles impida o acceso aos estadios. Nada que poña ultra poderá pasar e calquera elemento que se exhiba no interior do recinto deportivo "debe ser coñecido polo club organizador". A LFP advirte que incumprir co rexistro solicitado aos clubs suporíalles a estes responsabilidades xurídicas. E a orde é non só que os grupos ultras non queden á marxe deses rexistros, senón que non volvan actuar como o viñan facendo até o de agora os estadios. Que haxa bancadas de animación, pero sen ultras. En Galicia, os Celtarras -que non se consideran ultras- enviaron xa a documentación requirida polo Celta para a súa regularización, segundo o club. No Deportivo, a situación semella moito máis complexa, non só porque os Riazor Blues non son nin tan sequera unha peña rexistrada na listaxe oficial, senón polo enfrontamento que este colectivo mantén coa nova directiva. A LFP limita o recinto deportivo ás "expresións de apoio ao club" e "en ningún caso" a simboloxía "política, social, relixiosa ou reivindicativa" Pero o documento supón tamén outras medidas polémicas máis aló das que afectan aos grupos ultras. Así, nun dos seus apartados, a LFP asegura que "o interior do recinto deportivo debe quedar para as expresións de apoio ao club no campo deportivo, e en ningún caso se permitirán pancartas ou elementos análogos ou similares de carácter comercial, político, social, relixioso ou reivindicativo, que son alleas ao deporte". E mesmo recomenda que esta medida "se recolla nos regulamentos internos de cada club ou SAD". A dúbida xorde agora en saber cal será o límite, xa que no caso de que a norma se aplique estritamente, unha bandeira de Nunca Máis -cuxo lucimento mesmo futbolistas galegos impulsaron por exemplo a pasada tempada-, o chamamento a unha manifestación e calquera reclamación social ou política podería ser vetada nun estadio de fútbol. O texto da LFP impide pasar aos estadios con rolos de papel hixiénico "porque xuntándoos poden supoñer un risco para a seguridade" Esta polémica orde da Liga chega tamén despois de que afeccionados de Celta e Deportivo se queixasen en numerosas ocasións do veto ás bandeiras nacionalistas galegas en diferentes estadios, algo que lle valeu incluso o reproche do Valedor do Pobo ao Goberno central, que xustificara a súa prohibición. Ademais, foron moitos os seareiros que denunciaron os devanditos vetos a certos símbolos, mentres se podían ver en numerosos estadios simboloxía fascista. Ao tempo, o presidente da Liga de Fútbol Profesional, Javier Tebas, amosa a súa conformidade con que a final da Copa do Rei sexa suspendida no caso de que se asubíe o himno de España. O texto da LFP aos clubs complétase ademais cunha serie de medidas xerais nas que se prohibe a entrada a un estadio con paraugas de punta metálica ou con rolos de papel hixiénico porque, segundo a Liga, "en pequenas cantidades pode ser inocuo, pero unha vez no interior, e xuntándoos, poden supoñer un risco para a seguridade".
NOS_17562
A organización nacionalista exixe un maior investimento na cidade de Ourense e nas comarcas da contorna para superar a crise industrial e social.
Actualizar as infraestruturas ferroviarias da cidade de Ourense e as comarcas da contorna, amais, abaratando os billetes; sanear os ríos e mellorar a seguranza viaria son os eixos centrais das emendas para a zona presentadas polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) durante o debate dos Orzamentos Xerais do Estado de 2022. Nunha rolda de prensa este sábado onda as deputadas María G. Albert e Iago Tabarés; o deputado provincial, Bernardo Varela; e os concelleiros de Ourense, Luis Seara e Rhut Reza, o deputado polo BNG no Congreso, Néstor Rego, explicou que estas propostas suporían un investimento adicional de 132 millóns de euros que permitirían atender a crise industrial e social da cidade. "Temos os billetes de tren máis caros de todo o Estado español de maneira incongruente e inexplicábel", subliñou, "é sorprendente que a viaxe de Ourense a Santiago poida valer 17,70 euros cando ir de Madrid a Barcelona se pode facer por 7 euros", incidiu. Vertebración do sur da Galiza Para "conseguir unha vertebración real da zona sur do noso país", a organización nacionalista aposta pola mellora das liñas de tren convencionais. A nivel de estradas, o lexislador reclama melloras na N-525, A-56 e A-76 para facilitar a conexión entre Valdeorras con León e a do sur con Portugal, así como bonificar as portaxes na AP-53 porque "resultan inasumíbeis para a maioría da poboación do noso país unhas peaxes de tan elevado custo", explica. Outro dos temas que se abordou foi o estado dos ríos Loña e Barbaña, "contaminados debido ás verteduras constantes", relatou Rego, que exixe financiamento para proceder a un saneamento integral dos cursos de auga. Precisamente en Ourense, "que ten as pensións mínimas máis baixas en relación coa media do Estado", recriminou, o deputado pediu o incremento das pensións mínimas e o avance en políticas sociais.
NOS_44963
O actor apoiou a mobilización da ultradereita española convocada por Galicia Bilingüe en Compostela o 8 de febreiro de 2009. Participantes nese protesto berraban "aldeanos!" e "paletos!" ás persoas que fixeron parte da contra-manifestación, esta si, en defensa da nosa lingua, namentres os antidisturbios mallaban nelas. Doce están pendentes de xuízo
"Un recuerdo muy especial a una persoa que ha arriesgado mucho al apoyar esta manifestación y los fines de Galicia Bilingüe, que es el actor Manquiña". Así lle agradecían a Manuel Manquiña desde o palco a colaboración coa asociación que preside Gloria Lago na manifestación realizada en Compostela o 8 de febreiro de 2009, convocada baixo o lema Sí, quiero libertad para elegir. Varios videos difundidos na rede daban conta de imaxes dunha muller que se protexía da chuvia cun paraugas e berraba a verdadeira ideoloxía que hai detrás do colectivo que preside Gloria Lago: "paletos!", "aldeanos!", "libertad!", "libertad!" namentres ducias de antidisturbios mallaban nas persoas que participaron na contra-manifestación, estoutra si, en defensa da nosa lingua. Doce desas persoas están pendentes de xuízo. O mesmo Manuel Manquiña que apoiou a Galicia Bilingüe nesa mobilización é o escollido pola Xunta de Galiza para conmemorar este ano o Día da nosa lingua e das nosas letras e, de paso, homenaxear a Roberto Vidal Bolaño e a Rosalía de Castro, cando se fan 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, un libro en que a poeta nacional defendeu desde o prólogo a identidade nacional da Galiza e ao que a Xunta, na súa nota de imprensa, se refire como "cantigas populares". O acto desenvolverase na Cidade da Cultura. Con todo, o contributo de Manquiña ao desprestixio da nosa lingua propia non fica aí. Coñecidas son as súas declaracións en que asegurou que "Galicia é moi bilingüe, por moito que joda" polas que lle preguntou o xornalista Alberto Ramos nunha recente entrevista. E o actor respostou, moi ao estilo do discurso de Galicia Bilingüe: "eu creo na liberdade da xente por riba da liberdade dos lugares e das patrias; eu non creo no pobo". Para rematar acrecentou: "en Galicia, en galego? Mira, vai tomar polo cú!" Non é a primeira vez que a Xunta opta por persoas de coñecida belixerancia contra a nosa lingua propia para actos públicos. Recentemente a escollida para ler a Rosalía foi a escritora Marta Rivera de la Cruz, cuxa obra está publicada integramente en español e que tamén mostrou a súa simpatía cara á asociación Galicia Bilingüe. Chegou inclusive a se queixar do "veto" do bipartito, ao non contar con ela precisamente para este tipo de eventos polas súas opinións ao redor do galego.
NOS_49537
O BNG presenta un programa de mínimos para cogobernar a Deputación de Pontevedra. A entrada no goberno do ente provincial fica vinculada ao cumprimento desas esixencia presentadas nun documento que leva por título "Pola equidade e a transparencia".
O portavoz do grupo provincial do BNG na deputación de Pontevedra, César Mosqueira, presentou esta segunda feira, en conferencia de imprensa, un programa de mínimos de obrigado cumprimento para entrar a formar parte do goberno da institución. "Caciqueo cero" é un eixo central, segundo sinalou o nacionalista, cara á cristalización dun cambio de rumbo histórico na Deputación, unha vez o PP perdeu a maioría absoluta despois de 32 anos de goberno monocolor. Por vez primeira, unha forza política presenta un programa para o goberno da Deputación, segundo destacou Mosqueira que subordinou calquera negociación ao seu cumprimento. Entre as medidas recollidas no programa do grupo nacionalista atópanse principios xerais como son a equidade, a igualdade de servizos básicos para toda a veciñanza, independentemente do concello no que residan, reforzar competencias propias, eliminación da discrecionalidade nas subvencións ou a desaparición do "exacerbado presidencialismo existente na deputación de Pontevedra". Inclúe o programa tamén medidas para unha maior democratización da institución como aumentar a participación dos Grupos Políticos na toma de decisión ou a presenza dos grupos nas Xuntas de Goberno. Canto aos plans provinciais, contempla que Vigo e Pontevedra fiquen excluídas dos plans xenéricos para os concellos. O BNG propón a transferencia de competencias á Xunta da Galiza, entre elas as que atinxen a rede viaria provincial interurbana A formación nacionalista quer potenciar áreas de marcado carácter ecolóxico, de mellora da calidade de vida e medioambental como mobilidade e seguranza viaria, accesibilidade universal, disciplina ambiental de ruídos de locais e actividades, limpeza de praias, recollida de animais mortos ou mesmo valados de publicidade que suxan a paisaxe. Estrutura organizativa Da estrutura organizativa da Deputación, o BNG contempla a transferencia á Xunta d residencia infantil Príncipe Felipe, Escolas de Canteiros, Areeiro, Mouriscade ou o Campamento A Lanzada, ademais da rede viaria provincial interurbana. Despois de 32 de goberno monocolor do PP, as recentes eleccións municipais puxeron fin á maioría absoluta do partido que levara á presidencia provincial, entre outros, a Mariano Rajoy, Xosé Cuiña, César Mera, Manuel Abeledo ou, o máis recente, Rafael Louzán que estaba no cargo desde 2003. A perda de 80.000 votos puxo fin ao goberno do PP e abre as portas a unha nova configuración do goberno cunha corporación composta por 10 membros do PSOE, 4 do BNG e 1 das Mareas.
NOS_11857
A Primeira Orde ten acurralada á Resistencia. A Xeneral Leia Organa lidera unha complicada evacuación a vida ou morte. Entrementres Rey tratará de ser adestrada nos camiños da Forza por Luke Skywalker, mais o malvado Snoke, e o seu aprendiz Kylo Ren, agardan para atraela ao Lado Escuro.
Ademais de deixar milleiros de dólares na billeteira, a última achega de Star Wars ven xerando tamén milleiros de comentarios virtuais, tanto a prol como en contra. A conclusión podería ser perfectamente que: ou gusta (moito) ou non gusta (nada); ou estás do lado da Forza ou do Lado Escuro; entusiastas contra haters. Non se admiten equidistancias nin medias tintas... ou si? Intentaremos analizar os porqués desta polarización de criterios sen soltar moitos spoilers. Rian Johnson (Looper) foi o encargado de continuar a segunda parte desta nova triloxía que sucumbiu ao todopoderoso imperio Disney. A súa predecesora (O espertar da Forza), malia que era cuspidiña ao episodio IV (Unha nova esperanza), deixou o listón bastante alto. A maioría de fans devecía por recuperar o halo dos episodios primixenios, e J.J. Abrams non defraudou, deu o que se lle pedía, para o cal tivo que prescindir da súa manía de poñer escintileos de luces azuis cada dous por tres. O episodio VIII (Os últimos Jedi) continúa xusto despois daquela: Rey ante Luke Skywalker tratando que a adestre nos camiños da Forza. Seméllase ao episodio V (O imperio contraataca)? Pois se nos poñemos tiquismiquis... tamén parécese un pouco: en lugar de Yoda está Luke, os Rebeldes tamén foxen dun planeta ante o ataque Imperial, descóbrese quen son os pais de Rey... e todo así. Pero tamén haille que recoñecer a Johnson que sabe darlle a volta o xusto, e necesario, como para que todo semelle máis orixinal do que realmente é. Do Lado Escuro veremos por fin o malo que pode chegar ser o líder Snoke (Andy Serkis). O toque de humor aportado ao rol do xeneral Hux (Domhnall Gleeson) dálle un punto moi interesante. E a ambigüidade na evolución de Kylo Ren (Adam Driver) é para dar de comer aparte: tira definitivamente por terra todas as dúbidas que había sobre esta personaxe. Un perfil psicolóxico que dará ríos de tinta. No Lado Luminoso saberemos o que lle pasou a Luke Skywalker (Mark Hamill) en todos estes anos. Percorreremos con Rey (Daisy Ridley) o camiño da heroína desde o punto de vista máis clásico. Pola súa banda o de Leia (Carrie Fisher) é para aplaudir cada vez que sae pois a súa presenza queda moi lonxe da simple homenaxe que se agardaba. Por certo, moi ben tamén todas as decisións tomadas sobre o seu rol, incluso a, xa chamada, "escena de Leia Poppins". Non hai moita queixa no resto de personaxes salvo nun par de casos que, curiosamente, van tapados por máscaras ou son personaxes creados dixitalmente por captura de movemento. A Cheewacca pásalle algo. Non se move igual. No fondo da un pouco igual porque tampouco é que lle dean moito tempo en pantalla, pero a cousa queda marcada no subconsciente. Mirando a posteriori descubro que non é Peter Mayhew quen está baixo o traxe peludo (o estivera ata esta), senón un tal Joonas Suotamo que resulta que xa fixera de dobre de Cheewie no episodio VII. Non é que Suotamo o faga mal pero toda a vida cos mesmos movementos de Cheewacca/Peter Mayhew provocan que calquera cousa distinta pareza rara. Chamádeme friki se queredes... Outra das cousas que renxen un pouco é a aparición de Maz (Lupita Nyong'o). Está moi metida con calzador, como se llo deberan ou algo. E todo para levarnos a unha subtrama que sobra bastante. O bo é que nesta subtrama se descobre unha personaxe (interpretada por Benicio del Toro) que vai dar moito xogo de aquí en adiante... Tamén é unha marabilla volver ver novamente a maxia de Frank Oz coas marionetas en lugar de tirar de tanto CGI. As brincadeiras están ben dosificadas. Algunhas funcionan mellor que outras pero en xeral non cargan nin son (demasiado) infantís. Hai multitude de chiscadelas cinéfilas (Casablanca, A ponte sobre o Río Kwai ou Teléfono Vermello, voamos cara Moscova?) que aportan valor engadido e tamén un intento por crear secuencias innovadoras achegando as batallas ao cinema bélico, malia que, todo hai que dicilo, "no espazo as bombas non deberían caer"... Un fallo descomunal que se compensa, con creces, pola cantidade de espectáculo, sorprendentes xiros de guión, intriga, frases míticas e desenrolo de personaxes que aderezan o guión de Rian Johnson. Vamos, que eu paseino pipa... Resumindo, Os últimos Jedi ten os seus pros e os seus contras, mais é un excelente capítulo de Star Wars que o deixa nunha posición privilexiada dentro de toda a saga. Outro tema xa sería se o camiño proposto por Disney é o acertado... Por moito que nos laiemos para eles fixo que si. Se seguen nesta liña van quedar podres de cartos ata o infinito. Están a crear, e moi sabiamente, toda unha nova xeración de fanáticas e fanáticos da mitoloxía Star Wars e, por suposto, non van desaproveitar ningunha oportunidade de facer caixa co merchandising. Nestas datas o regalo estrela van ser unhas criaturiñas adorábeis chamadas porgs, unha mestura de pingüín, furbi e gato de Shrek. Aínda non tes a túa? Star Wars VIII: The Last Jedi (EUA 2017, 152 min.) Dirección e guión: Rian Johnson Fotografía: Steve Yedlin Música: John Williams Elenco: Daisy Ridley, John Boyega, Adam Driver, Óscar Isaac, Mark Hamill, Carrie Fisher, Domhnall Gleeson, Laura Dern, Kelly Marie Tran, Andy Serkis, Anthony Daniels, Joonas Suotamo, Frank Oz, Gwendoline Christie, Lupita Nyong'o, Jimmy Vee
NOS_3677
A Fundación Alexandre Bóveda despide ao seu presidente, o galeguista histórico Fernando Quintela finado no día 5 de xaneiro con 98 anos de idade. Substituíra no cargo a Manuel Beiras.
Con 98 anos finou o presidente da Fundación Alexandre Bóveda, o galeguista Fernando Quintela que ocupara o cargo máximo da entidades despois da morte de Manuel Beiras. Odontólogo de profesión, Fernando Quintela manifestara desde novo a súa inmensa querencia por Galiza e o seu profundo galeguismo que o levaron despois a participar activamente nas Fundacións Castelao e Alexandre Bóveda, figuras polas que sentía grande admiración. Tamén Núñez Búa ou Aquilino Iglesias formaron parte do entorno de Quintela, do galeguismo de Vilagarcía de Arousa do que participaba. Marcado polo golpe militar de 1936 que obrigou a ir ao exilio ao seu irmán socialista Armando, Fernando Quintela é un dos protagonistas da vaga de recuperación da memoria histórica por volta dos anos oitenta, no seu caso, de maneira especial a través do seu traballo nas Fundacións nas que desenvolveu un intenso traballo. "Exemplo de firmeza e consenso" A Fundación Alexandre Bóveda a través do seu secretario e neto do galeguista, Valentín Garcia Bóveda destacou o seu "exemplo de firmeza e de consenso". Mostrou tamén o seu convencemento de que a súa figura contribuirá á "memoria colectiva" na súa condición de "bo e xeneroso". Boa parte do padroado despedía a Quintela tanto no tanatorio como no funeral. Casado coa profesora Lola Gallego, Fernando Quintela foi velado no tanatorio de Rubiáns antes do funeral que se desenvolveu na igrexa de Santa Eulalia este 6 de xaneiro. Até hai ben pouco, e malia a súa avanzada idade, Quintela continuaba asistindo a actos públicos de especial significación na recuperación da memoria histórica e, de maneira singular, de homenaxe a Alexandre Bóveda, figura histórica pola que sempre demostrou unha profunda admiración.
PRAZA_8130
Ferrín cre que a demanda "ten moitas posibilidades" de saír adiante e "imprimirlle un novo rumbo á política cultural en Galicia", aínda que aclara que será retirada "se a Xunta abre un proceso de diálogo" e volve ao consenso.
Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega (RAG), anunciou este luns a presentación o pasado 4 de marzo dun recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra o decreto do plurilingüismo e no que pide a "anulación total" da polémica norma "da discordia". A institución aclara, no entanto, que "non é un organismo litigante" e advirte de que "se retirará o recurso" se a Xunta "abre un proceso de diálogo, se compromete a cambiar de rumbo e volve ao consenso". Ferrín cre que o recurso ten moitas opcións de ser aceptado e cambiar así "a política cultural en Galicia" "Pero non hai sinais de que así sexa", insistiu Ferrín. Por iso, a RAG acode ao Supremo e presenta un recurso que, tal e como o presidente da Academia asegura, "ten moitas posibilidades" de saír adiante e de "imprimirlle un novo rumbo á política cultura en Galicia". Así, e logo de que o ditame do TSXG tan só estimase en parte o recurso presentado pola RAG contra o decreto -eliminou a polémica consulta ás familias e a posibilidade dos rapaces de usar a lingua que desexen nas aulas-, a centenaria institución decide agora dar un paso máis despois de que, tal e como xustifica, "a Xunta impedise que a Academia cumprira a súa función e participara no proceso de elaboración do decreto". A RAG asegura que acode ao Supremo logo de que a Xunta decidise rachar o consenso e tras impedirlle participar na elaboración do decreto Segundo aclarou Ferrín, a RAG solicitoulle ao Goberno galego, xa antes da elaboración do decreto, "poder exercer as súas funcións intitucionais de defensa e promoción do idioma galego" emitindo o correspondente informe preceptivo e non vinculante, ademais de reclamarlle que "se actuase co maior grao de acordo posible, recuperando consensos anteriores acadados no Parlamento de Galicia por unanimidade". "Pero a Xunta, infelizmente, impediu que a Academia cumprise a súa función e obrigounos a reivindicar do xeito legal e democraticamente establecido a defensa do idioma, que é a única razón de ser desta casa", engadiu. "Hai xente que se escandalizaría se esfarelase o Pórtico da Gloria, pero vale máis o idioma que o Pórtico", manifestou. "A lingua galega vale máis que o Pórtico da Gloria", di Ferrín Ademais, Ferrín recordou que a situación de lingua galega "é de inferioridade" e que precisa unha "discriminación positiva" que non se dá. "A ninguén se lle pode escapar que o sistema educativo é decisivo para asegurar un bo coñecemento do noso idioma e favorecer así a súa recuperación e normalización, así como a volta a moitos ámbitos aos que aínda non retornou", engadiu, tras aclarar que o decreto recorrido "é retrógrado e un paso atrás" ao "afastarse do mandato normalizador". Ao mesmo tempo, lembrou que a posición da RAG contraria ao decreto e reclamando a súa eliminación e a volta ao consenso "é a mesma que a de toda a oposición política no Parlamento". "A Academia ten o dereito e a obriga de opinar sobre a lingua e defendela", insistiu. A Academia aclara que o recurso conta co apoio do plenario porque sempre se advertiu "que se chegaría até as últimas instancias" Todas estas razóns foron esgrimidas polo presidente da RAG para xustificiar a presentación dun recurso que, segundo aclarou o secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, foi aprobada "por unanimidade" polos seus membros, xa que desde o primeiro momento a institución aclarou publicamente, e tamén nos seus plenarios, "que chegaría até as últimas instancias" para opoñerse ao polémico decreto. "A doutrina da RAG atópase na análise académica feita sobre as bases para o decreto", engadiu, en referencia ao informe no que a institución recollía a súa posición sobre a norma en xaneiro de 2010. En canto ao feito de que a RAG presentase o recurso antes de saber se a Xunta finalmente tamén chegará ao Supremo, a institución aclarou que o prazo de presentación do devandito recurso remataba "o día 4" para a Academia, aínda que o Goberno galego ten até finais desta semana para decidirse. "A Xunta xa se personou dúas veces e presentou un escrito de preparación de casación o 14 de decembro que foi ratificado o 21 do mesmo mes; iso xa é presentar o recurso", aclarou Ferrín, que recordou tamén que a Administración "tampouco abriu posibilidade ningunha de modificar o decreto para que sirva realmente para a normalización do idioma", o que "obrigou a Academia" a recorrer. "A RAG só se conformaría coa volta ao consenso do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado polo Parlamento", reamtou Manuel González, membro numerario da Academia. Ferrín acusou de "deslealdade" aos membros da Academia que "filtran" os temas a abordar no plenario do vindeiro mércores Ademais, Méndez Ferrín non quixo responder cando foi preguntado sobre os temas a tratar no plenario do vindeiro mércores, entre os que se atopa o protocolo para as contratacións no organismo, así como a presentación da súa dimisión. "As ordes do día son segredas e cando se filtran as cousas é que hai deslealdades e metémonos nas cloacas", asegurou. Malia que Ferrín anunciou a súa dimisión, o pasado sábado deixou aberta a porta a unha posible marcha atrás ao asegurar que "sempre se pode cambiar de opinión". O escritor, xornalista e académico, Manuel Rivas, xa anunciou tamén que pedirá a palabra na xuntanza do mércores para solicitar ao actual presidente que "reconsidere a súa postura".
NOS_7855
O festival de música e arte da localidade de Pardiñas (Guitiriz) acada trinta e dúas edicións grazas ao esforzo da Asociación Cultural Xermolos.
Comezaron alá polos anos oitenta e ao longo deste tempo tiveron riba do seu escenario grupos de todos os recunchos do mundo, desde Kepa Junkera –que repetirá este ano--, até os escoceses Wolfstone, Xosé Manuel Budiño, Airiños de Fene, os irlandeses Dervish e Shebeen, a Quenlla, Joglars e Seglars ou os astures Dixebra. O Festival de Pardiñas achéganos cada ano dous días de lecer e romaría acompañados de exposicións, mercado e artesanía. Este ano o acontecemento terá lugar os días 4 e 5 de agosto e contará coas actuacións de Bloquinho de Xermolos, Milesios, Quempallou –que presentarán o seu novo proxecto, Vellas novas, Chotokoeu, Zurrumalla e os Cuchufellos desde a Galiza; Kepa Junkera desde Euskal Herria, a orquestra folk ibérica de Coetus & Eliseu Parra dos Països Calatans e a música polaca de Beltaine. Así mesmo, a Asociación de Gaiteiros Galegos organiza a XIX Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, que abrirá o sábado día 4 ás cinco da tarde. A mostra contará con obradoiros, actuacións musicais, presentacións literarias, demostracións prácticas a respecto da construción de instrumentos tradicionais e unha hora e media de escenario libre para músicos espontáneos. Asemade, este ano, o Festival incorpora unha xornada rock o día 3 de agosto coa actuación de oito bandas encabezadas por Barricada. O custo de entrada ao Festival Rock de Pardiñas será de 10€ e contará coa tradicional zona de acampada.
NOS_57788
Unha consulta vinculante ás bases deitou como resultado 54 por cento de votos favorábeis a rachar co PSC e 45,6 a manter a coligazón de goberno. Participaron 3.800 persoas inscritas.
A decisión de pór fin á cohabitación co PSC no goberno local de Barcelona chega a escasos 40 días das eleccións 'autonómicas' do 21-D, comicios en que a confluencia disputará espazos co partido liderado por Miquel Iceta. Con este xiro nos acontecimentos, os comúns agudizarán aínda máis as contradicións internas no seo do PSC, partido en que se teñen producido significativas baixas de cadros dirixentes de altura a consecuencia do seu apoio ao 155 -desde o alcalde de Terrasa ao ex ministro Joan Majó e á ex deputada no Parlament Esperança Esteve. Para Gerardo Pissarello, número 2 de Colau, o PSC está a ser cúmplice dun "proceso de recentralización autoritario". Todos os esforzos feitos por Barcelona en Comú para os socialistas cataláns mudaren de posición terían sido en van, lamentou o dirixente dos comúns. Unha vez que se formalice esta decisión, Barcelona en Comú voltará a gobernar en solitario, con apenas 11 concelleiros. Non está previsto que BeC vaia aceitar a oferta que días atrás lle fixeran chegar o PDeCAT de Xavier Trias e a ERC de Alfred Bosch, a de cogobernar a cidade con eles en troca de que rachase co PSC por culpa do apoio socialista ao 155. Colau racha, si, mais todo indica que, no mínimo antes do 21-D, non fará ningún movimento en dirección a un acordo co bloco soberanista.
NOS_3039
O presidente do goberno español desiste de reformar a lei nos termos anunciados por Gallardón, mais si que, na actual lei de prazos, se fará obrigatorio o consentimento familiar no caso das menores de idade. Gallardón dimite como ministro e anuncia que deixará o escano, as responsabilidades no PP e di adeus á política.
O presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, disipou esta terza feira (23 de setembro) as dúbidas sobre a reforma da lei do aborto. Rajoy asegurou que o executivo retira a súa proposta lexislativa. Porén, avanzou que si aprobarán unha reforma para introducir no actual marco legal a obrigatoriedade de contar con autorización familiar no caso daquelas mulleres menores de idade que queiran interromper o seu embarazo. Rajoy sinalou en comparecencia de imprensa que a decisión devén da "falta de consenso" no seo do executivo español a respeito dunha das reformas lexislativas con maior rexeitamento social. Nas últimas semanas producíranse comunicacións contraditorias desde o Ministerio de Xustiza --área á que se lle encomendou a redacción do novo marco lexislativo. Neste senso, fontes próximas á carteira dirixida por Alberto Ruíz Gallardón aseguraron que o anteproxecto de lei sobre os dereitos do concibido e a muller grávida sería retirado. Porén, o ministro amosouse reticente a aceptar dar marcha atrás e mesmo nos corredores da Moncloa se baralla a posibilidade de que Gallardón remate por presentar a súa demisión. Mobilización social e eleccións municipais No cerne da retirada da reforma atópase o desgaste político que supón para o Partido Popular, cuxos apoios electorais se sitúan nas horas máis baixas. Nas ringleiras da formación política erguéronse diversas voces, tamén desde Galiza, que rexeitaron introducir mudanzas "sen consenso". Aliás, a proximidade das eleccións municipais en 2015 e unha máis que probábel queda de votos, tería motivado o anuncio. Aliás, a intensa contestación social amosada polo movemento feminista nas rúas abocou o goberno español a retirar a súa proposta lexislativa. No entanto, Rajoy anunciou que o executivo aprobará un "Plan de apoio á familia" antes de rematar a lexislatura, un xesto que visa calmar as queixas dos sectores ultra-católicos. Nas últimas semanas, e perante a inminencia dun anuncio que, finalmente, se materializou esta terza feira, os grupos 'pro-vida' tildaban esta decisión de "traición". Gallardón deixa a política O seu futuro estaba vinculado á da Lei do Aborto e a retirada acelerou a súa despedida. Pouco tardou o ministro Gallardón en anunciar en compadecencia pública a súa dimisión, unha noticia que se sentía con intensidade nas últimas horas mais que viña ecoando desde había xa días. Sen embargo, o ministro non ía facer público só o seu abandono do ministerio. Gallardón mostrouse tallante na súa despedida e deixou claro que o fracaso en levar adíante a nova Lei do Aborto significaba tamén o seu abandono da vida política, na que leva máis de trinta anos desenvolvendo distintos cargos políticos. O ministro cesará no seu escano parlamentario e abandonará tamén os cargos orgánicos no PP aínda que non a militancia. Alberto Ruíz Gallardón asumiu a súa "responsabilidade" por non ter sido capaz de converter o anteproxecto de lei aprobado en Consello de Ministros en proxecto de lei, unha responsabilidade que asumiu de maneira persoal, malia deixar constancia que o anteproxecto non era do seu ministerio senón "do goberno". "A xestión da nova fórmula non podía nin debía facela quen asumira un compromiso firme e profundo co que cría a vontade do Partido e da sociedade que o apoiara", dixo no que presentou como a súa última compadecencia en calidade de ministro e no que agradeceu tamén a confianza depositada nel por Rajoy.
NOS_43313
Manuel López Foxo vén de editar O pracer de reler, no que recolle varios artigos publicados en Sermos Galiza e outros ensaios breves que reivindican a relectura como fonte de coñecemento e de gozo.
"Este é un libro para os que aman non só a lectura, senón tamén o libro como obxecto, para os que senten o pracer de ter un libro entre as mans", explica Manuel López Foxo. "Os artigos deste libro son todos ben coñecidos e pódense atopar facilmente na web ou nas hemerotecas. Mais eu son aínda dos que lle gardan fidelidade ao libro tradicional en papel. Este libro non ten unha distribución comercial ao uso, senón que é un volume case para os amigos, para as persoas que seguen mantendo ese amor polo libro impreso. Pode parecer algo tolo, pero lembro que André Gide fixo unha edición da primeira parte das súas memorias, Se a semente non morre [Si le grain ne meurt], de só sete exemplares". Foxo refírese a O pracer de reler, un volume que acaba de ver a luz en edición de autor e que recolle artigos publicados, na súa maioría, en Sermos Galiza, na sección do mesmo nome na que, como o propio título indica, o autor volve sobre libros máis ou menos antigos, que merecen unha segunda lectura, unha nova mirada que lles insufle unha nova vida e que propicie unha visión máis ampla das nosas letras. "Hoxe é difícil mesmo atopar libros editados no ano anterior" "Non podemos estar sempre pendentes das novidades. As novidades son necesarias porque a literatura é un fenómeno vivo e cada día aparecen novas autoras e autores, novas obras, que nos alimentan. Mais tamén é certo que libros que teñen dez, quince ou corenta anos seguen tendo plena vixencia, e volver a eles é importante. Xa non digamos aos clásicos", explica. "Pero ademais existe outra razón para esa volta. Os libros son obxectos que forman parte da nosa vida. Por tanto, cando un colle un libro que descubriu nun determinado momento da súa vida, o que sostén entre as mans non é só unha obra literaria, é tamén un pedazo de biografía. Máis alá do libro como texto está o libro como obxecto íntimo e, en ocasións, como obra de arte. É o amor polos libros o que nos leva á relectura". Reler o sistema literario O certo é que a relectura permite unha reconstrución persoal do sistema literario, unha actualización mediante a que a persoa que le resitúa autores e obras, poñendo a proba o seu sistema de valores e perfeccionando a súa percepción da historia literaria. Algo particularmente valioso para a literatura galega, ausente nas instancias públicas que noutros sistemas impulsan esa rexeneración constante. López Foxo presta unha singular atención a autores e obras que, sen ser antigos, perderon actualidade nas librarías, na circulación editorial: Lois Diéguez, Manuel Vilanova, Vicente Araguas, García Bodaño, Pilar Pallarés, Eva Veiga, Millán Otero, Manuel Vilanova, Xohana Torres… "É unha escolla moi consciente", aclara. "Cando comecei a escribir a sección no semanario impreso, quixen comezar por Pexegueiro, a quen considero un altísimo poeta. Hai que ser conscientes de que hoxe a distribución dos libros é moi diferente á que existía cando eu era novo. Daquela, ías a unha libraría e podías atopar un fondo bibliográfico completísimo. Eu lembro que me fun facendo con toda a literatura galega porque podía acceder a ela nas librarías. Hoxe é difícil mesmo atopar libros editados no ano anterior: xa non podes ver nos andeis das librarías a Fiz Vergara Vilariño ou a Eva Veiga. É certo que agora existe a posibilidade de pedilos por Internet e que hai moita facilidade para adquirir títulos antigos con rapidez, mais non ver o libro, non poder acceder a el, tocalo e follealo... xa é unha dificultade. Os libros precisan de visibilidade. Aquela posibilidade do encontro azaroso cun libro –as veces porque te chamaba a atención a capa, ou a edición– perdeuse, e iso fai que algúns autores permanezan ocultos, á espera de que alguén os redescubra". Visión de conxunto Recoller os artigos nun volume non responde só á compracencia de posuír nun volume obras dispersas na web ou en publicacións periódicas. Posibilita, ademais, percibir as ideas sobre literatura defendidas polo autor con máis claridade. "Si claro", admite Foxo. "Dá unha visión máis global. Está claro que nun artigo que se publica un día e coas restricións de espazo a que obriga o xornalismo, non se pode expresar todo o que se quere; mais cando podes ler unhas ducias deles todos seguidos a visión que se che ofrece é moito máis ampla e entendes mellor a concepción que ten o autor sobre a literatura ou sobre o que sexa". Por iso, se cadra existe unha gran tradición na recollida de artigos publicados en revistas e xornais. "Pensa, por exemplo, nun libro que segue a ser fundamental por moitas razóns: Comunicacións mesturadas, de Luís Seoane. Ou os múltiples volumes que Filgueira Valverde foi editando baixo os títulos de Adral, Segundo Adral, Terceiro Adral... e que non eran se non a recolleita do que ía publicando ao longo do ano. Ou máis recentemente, moitos dos volumes compilados por María Pilar García Negro. Poder ler eses artigos nun libro ofrece unha perspectiva máis completa". Achádegos e encontros: o pracer como motor da (re)lectura Manuel López Foxo regresa unha e outra vez á idea de pracer como motor deste volume, debullando anécdotas que ilustran ese gozo do que fala: "Déronse circunstancias moi emocionais", relata. "Adiós, María foi o primeiro libro que eu lin en galego e, cando Xohana Torres leu o artigo que escribín sobre esa obra, emocionouse e tivo interese en que nos encontrásemos. Iso permitiume coñecela –era unha das poucas autoras da Xeración do 50 que eu non coñecía persoalmente– e pasar unha xornada moi agradábel xunto a ela. Ese ciclo dos libros continúa nos artigos e segue representando un gran pracer".
NOS_29461
O proxecto Ecoser, promovido en colaboración polas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Almería, promove a sustentabilidade ambiental, económica e social dos servizos ecosistémicos mariños en áreas naturais protexidas. A primeira fase arrinca cunha análise da evidencia científica dispoñíbel e o desenvolvemento de diversas mesas e obradoiros nos que van intervir persoas investigadoras, usuarias, representantes da Administración e do sector produtivo. O profesor Carlos Sebastián Villasante Larramendi explica a Nós Diario as claves deste estudo que dirixe.
A que se refire o termo de "servizos ecosistémicos"? Os servizos ecosistémicos mariños son o conxunto de características, funcións e procesos dos ecosistemas mariños que xeran, directa ou indirectamente, múltiples beneficios que a natureza achega aos seres humanos. Por exemplo, alimento, regulación do clima, patrimonio cultural... Estes son esenciais para o desenvolvemento das actividades produtivas da economía e a propia supervivencia da humanidade no planeta. Como se vai desenvolver o proxecto Ecoser? A través de workshops participativos e obradoiros coas usuarias directas nos diferentes casos de estudo. Para a execución haberá actividades ao longo do litoral do territorio español, quer no Atlántico quer no Mediterráneo: Parque Nacional das Illas Atlánticas e a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro "Os Miñarzos" (Galiza) e o parque Natural Cabo de Gata - Níjar (Andalucía). Os servizos que avaliaremos de forma sistemática e homoxénea en cada caso son: pesca profesional, turismo e actividades recreativas, conservación da natureza e goberno e planificación costeira. Tamén pretenden elaborar unha guía. Como será isto? Si, cos resultados dos diferentes obxectivos previstos, elaborarase unha guía que conteña un protocolo para a avaliación dos servizos ecosistémicos mariño no contexto das Áreas Naturais Protexidas, con vistas á posíbel replicabilidade do que obteñamos noutros lugares. Cal é a necesidade dun estudo destas características? De acordo ao informe do IPBES [Intergovernmental Science-Policy Platform on Biodiversity and Ecosystem Services], o Atlántico Nordeste continúa cunha tendencia negativa en todos os indicadores mariños no período 2001-2017, poñendo en risco os servizos na rexión. Sábese, a nivel científico, que o rol das Áreas Naturais Protexidas como instrumento de conservación na protección dos ecosistemas mariños contribúe ao aumento da biomasa dos stocks e que actúa como un factor protector fronte aos impactos do cambio climático. Porén, existe escasa evidencia científica en canto ao papel que xogan na conservación dos servizos ecosistémicos. O proxecto Ecoser pretende promover a sostibilidade ambiental, económica e social destes servizos nas áreas protexidas.
PRAZA_656
Outra sentenza do alto tribunal obriga a devolver máis de 2.000 euros a unha persoa que tributara en Galicia en 2008 logo de recibir a súa pensión e tras traballar en Alemaña. A referencia aos convenios bilaterais para evitar a "dobre imposición" anima os afectados a acudir á xustiza.
A última sentenza do TSXG que avala a exención de tributos aos emigrantes retornados ábrelles outra vía de loita a este colectivo, que o pasado sábado volveu manifestarse en Compostela exixindo "xustiza e igualdade" á Axencia Tributaria. O alto tribunal avalou a reclamación de emigrantes retornados de Alemaña que defenden que as súas pensións non deben tributar en España, impoñendo ademais as costas do proceso á Administración. É a segunda sentenza favorable deste tipo e que contradí a formulación da Axencia Tributaria (AEAT) sobre as persoas que están a cobrar unha pensión logo de anos traballando no país xermano. A sentenza do TSXG avala a reclamación dos retornados de Alemaña que defenden que as súas pensións non deben tributar en España ao telo feito xa na emigración Nesta última sentenza, o TSXG impón as costas de 1.500 euros á Administración e obriga a devolver máis de 2.000 euros máis intereses a unha persoa que tributara esta cantidade na sede de Facenda en Vigo en 2008 tras recibir a súa pensión. O alto tribunal toma como referencia o artigo 19 do Convenio Hispano-Alemán asinado en 1966 "para evitar a dobre imposición", No devandito convenio aclárase que sería o pagador, neste caso Alemaña, o encargado de recadar os impostos e asegura que se evitará a dobre imposición nas pensións públicas, o que para a AEAT significa que tan só estarían exentos os procedentes dun emprego público no país xermano. No entanto, para o TSXG esta exención refírese á procedencia dos fondos cos que se pagan as pensións e non á natureza pública ou privada do emprego, polo que significa que "están exentas de tributación no Estado español aquelas (pensións) cuxa procedencia sexa pública", un feito que se segue sen dificultade do pre-citado artigo", malia a interpretación que se fixo do mesmo, que xulga errónea. O ditame do TSXG baséase no convenio bilateral hispano-alemán, semellante ao que rexe noutros Estados receptores de emigración En definitiva, e tal e como destacan desde a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados (Cnger), o alto tribunal confirma que a consideración de públicas "refírese ás pensións, porque todas o son ao proceder os cartos do Estado, e non ao emprego que se tivese realizado". Así, a sentenza abre unha nova vía, malia que a Axencia Tributaria sempre lles indicara aos afectados que a súa interpretación era a aceptada e que "nunca houbera dobre imposición". Por iso, o colectivo asegura a Praza que agora centrará as súas reclamacións na vía xudicial, nas posibilidades que abren os convenios bilaterais que o Estado asinou hai xa décadas con numerosos países destinatarios da emigración. O caso alemán parece claro e é ademais moi importante para as reclamacións dos pensionistas galegos, xa que moitos dos membros da Cnger traballaron durante anos no país teutón. "E sabemos xa dun caso dun emigrante en Suecia que está a recibir documentación que acredita tamén esta exención de tributos e que suporía que os tribunais tamén lle desen a razón", asegura Xosé Lois Leirós, voceiro do colectivo. A Coordinadora Galega estuda xa a lexislación para acudir aos tribunais baseándose nos convenios bilaterais "Hai convenios con moitos países e agora estamos analizar cada caso para determinar os pasos a seguir", continúa un dos portavoces da Coordinadora, que aclara que "a xente xa está cansa e farta de protestar e de levar a pancarta de aquí para aló". "A maioría son persoas maiores que, en moitos casos, paga o que lle piden e non se quere meter na vía xudicial porque está esgotada e iso tamén lles suporía gastar máis cartos", explican desde a plataforma, que trata agora de convencer aqueles afectados que emigraron a Alemaña para comezar outra batalla, ademais de estudar a lexislación que sería aplicable no caso doutros Estados. "Desde Facenda sempre nos advertiron que tiñamos que pagar e que denunciásemos logo se queríamos, pero avisaban de que a nosa demanda non tería éxito, cando se ve que non é así", insiste Leirós, que advirte tamén das continuas modificacións lexislativas que se levaron a cabo nos convenios bilaterais con outros países. Ademais, desde a Coordinadora teñen claro que os convenios destinados a evitar esta "dobre imposición" son a causa de que o Goberno non levase a cabo antes a campaña recadatoria contra os emigrantes retornados. "Non atoparán nin un só documento no que se demostre que un emigrante tributaba aquí polas pensións nos 90 porque non se facía e nin os consulados nin as asesorías nolo indicaron nunca; xa tributabamos no estranxeiro cando en España non se sabía nin que era iso", remata o portavoz dun colectivo que "leva dous anos xa de loita" e que agora empezará outra.
PRAZA_12219
A bandeira da "imposición lingüística" axitada por Feijóo durante a campaña electoral derivou en grandes mobilizacións contra o chamado decreto do plurilingüismo, que reduce a presenza do galego nas aulas e que actualmente é aplicado sen excesivos controis
13. "Identidade e liberdade. Recuperar os consensos arredor dos nosos símbolos identitarios, moi especialmente no idioma: o galego ten que ser un instrumento de unión, nunca de imposición e debe garantirse a liberdade para escoller lingua en todos os ámbitos". Oito de febreiro de 2009. Faltan tres días para que Alberto Núñez Feijóo asine solemnemente o seu Contrato con Galicia e en Santiago xúntanse unhas dúas mil persoas convocadas pola asociación Galicia Bilingüe e vidas tanto dende Galicia como de fóra. Por tras das pancartas, en primeira fila, é posible distinguir á líder de UPyD, Rosa Díez, que daquela aínda tenta explorar o caladoiro do voto nas eleccións autonómicas axitando a bandeira dunha presunta "imposición". Un chisco máis lonxe está boa parte da plana maior do PPdeG. Non está Feijóo, pero si o seu secretario xeral e actual conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda e con el Corina Porro, hoxe presidenta do CES, Carlos Negreira alcalde da Coruña desde 2011 ou Ana Pastor, agora ministra de Fomento. Uns e outros maniféstanse contra o decreto 124/2007 "polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo" e no que se establecía un "mínimo" do 50% das materias escolares impartidas na lingua propia de Galicia. En plena precampaña o apoio aberto do PP aos pequenos grupos que sempre criticaran a Manuel Fraga pola súa posición a respecto do galego non era casual, tratábase de aglutinar o voto e evitar que un lixeiro derrame de papeletas cara a UPyD puxese en risco a maioría absoluta. Nesta liña, parte da propaganda electoral de Feijóo redactouse só en castelán e o propio aspirante á Xunta asegura "poder dicir sen medo" que "en Galicia temos enriba da mesa un conflito lingüístico sen precedentes, creado dende o propio Goberno". Novo decreto e protestas masivas Conseguida a maioría absoluta tocou gobernar e, nos primeiros meses, tanto o presidente da Xunta como o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, baixo cuxa responsabilidade se situara a Secretaría Xeral de Política Lingüística, reiteraban que chegara o tempo da "liberdade", á que se lle incorporara outro termo: "o plurilingüismo". O propio Vázquez e Anxo Lorenzo, filólogo que colaborara co bipartito e defendera en público o decreto do 50%, comandaron xunto ao xefe do Executivo o accidentado proceso de elaboración do decreto, nuns meses ateigados de especulacións nos despachos e de manifestacións nas rúas. Ata en cinco ocasións se encheron as rúas de Santiago, en convocatorias primeiro d'A Mesa pola Normalización e despois da plataforma Queremos Galego, para rexeitar os múltiples avances do decreto, que coqueteaba coa segregación dos alumnos en función da lingua ou coa redución do galego ao 30% das materias. O galego quedou vetado nas materias de ciencias Previo gasto de 109.800 euros en realizar e publicitar unha enquisa entre as familias do alumnado, finalmente o 30 de decembro de 2009, nun inédito Consello da Xunta celebrado contra a tardiña, saían á luz as "bases" do xa chamado "decreto do plurilingüismo". O proceso comezaba nas vacacións de Nadal e remataba nas de Semana Santa. Nunha presentación da que Jesús Vázquez ficou excluído, Feijóo explicaba as liñas mestras dun decreto que, a grandes trazos, deixaba as dúas linguas oficiais nunha aparente igualdade, se ben irían perdendo terreo en favor do inglés. Ademais, malia ao suposto "equilibrio" o galego quedaba vetado nas materias de ciencias e a entrada do criterio das familias en infantil abriu a porta a que parte do alumnado non escoite unha palabra en lingua galega na escola ata os 6 anos. Despois dun primeiro momento no que mesmo se chegou a amagar con posibles sancións ao profesorado que non aceptase o novo decreto, na comunidade educativa cunde na actualidade a percepción de que a Xunta relaxou moi notablemente o control do cumprimento da normativa lingüística, ao xeito dos gobernos de Fraga. Así as cousas, o punto lingüístico do Contrato queda na gaveta de asuntos por cumprir, dado que, fronte á intención de "recuperar os consensos", tan só o PP defendeu as novas regras de xogo durante estes tres anos despois de rachar, en 2007, o acordo acadado con PSdeG e BNG sobre o galego no ensino unhas poucas horas antes de ser oficialmente pechado. Enfrente estiveron non só os grupos da oposición, senón tamén os sindicatos educativos e de clase e institucións como o Consello da Cultura ou a Real Academia Galega. Decreto 124/2007 polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia
NOS_52321
Sigue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto.
🔴 [EN DIRECTO] Actualizar 18.11 | O presidente de Alemaña lamenta que Kíiv rexeitase a súa visita a Ucraína O presidente de Alemaña, Frank-Walter Steinmeier, afirmou nesta terza feira que non viaxará a Ucraína para entrevistarse co seu homólogo, Volodimir Zelenski, porque este rexeitou que acudise a Kíiv. O Goberno ucraíno mantén unha tensa relación con Alemaña pola súa posición reticente con respecto á imposición de sancións a Rusia. Aliás, Zelenski criticou a postura de Steinmeier cando era ministro de Exteriores e afirmou que había que estabelecer vínculos comerciais entre o seu país e Rusia. 15.27 | Ucraína lamenta o presunto uso de armas químicas en Mariupol Desde o comezo da guerra de Ucraína, unha das cidades máis castigadas pola ofensiva militar rusa é Mariupol. O alcalde da cidade, Vadim Boichenko, afirmou que máis de 10.000 persoas morreron como consecuencia dos bombardeos. Agora, tanto o Goberno ucraíno como os Estados Unidos (EUA) e o Reino Unido veñen de lamentar un presunto uso de armas químicas en Mariupol por parte do exército ruso. Segundo a ministra de Exteriores británica, Liz Truss, os soldados de Rusia poderían ter empregado un dron para levar a cabo a difusión dun axente químico prexudicial para as persoas. 12.50 | Zelenski acusa Rusia de "perpetrar torturas brutais" en Ucraína O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, acusou esta terza feira as tropas rusas de "perpetrar torturas brutais" en Ucraína, entre as que mencionou "centos de violacións". "Miles de vítimas, centos de casos de tortura brutal. Aínda se atopan cadáveres en sumidoiros e sotos. Corpos atados e mutilados. Centos de orfos, porque aínda non sabemos o número exacto de vítimas", dixo, en declaracións recollidas por Europa Press. 11.30 Putin di que o "principal obxectivo" é "axudar a xente do Donbass" O presidente da Federación Rusa, Vladímir Putin, confiou esta terza feira en "conseguir todos os obxectivos da operación militar rusa en Ucraína", segundo recolle Russia Today. "Os obxectivos son moi claros e honorábeis, o principal é axudar a xente no Donbass", dixo, facendo alusión ao "xenocidio" que, afirmou, se estaba a producir nesta rexión, xa que "Kíiv, empurrado por Occidente, negouse a cumprir os Acordos de Minsk". 09.38 | A ONU alerta da recrudescencia dos ataques no Donbass: "Os civís non teñen acceso a subministros vitais" O portavoz da secretaría xeral da ONU, Stéphane Dujarric, di estar "fondamente preocupado" polos "intensos combates e ataques aéreos" en Luhansk e Donetsk, tanto nas zonas controladas polo Goberno ucraíno como nas que están baixo dominio das repúblicas populares do Donbass. A ONU alerta da recrudescencia dos ataques no Donbass: "Os civís non teñen acceso a subministros vitais" 08.20 | Oito mortos e 19 feridos polos ataques en Kharkiv As autoridades ucraínas, segundo recolle Europa Press, informaron de que oito persoas faleceron, entre elas un cativo, e outras 19 resultaron feridas polos bombardeos en Kholodna Gora, na cidade de Kharkiv. 07.45 | Ucraína alerta dunha nova ofensiva no Donbass O ministro de Defensa ucraíno, Oleksander Motuzianik, alertou esta segunda feira de que o "reagrupamento ruso" no Donbass tería culminado e agora o exército buscaría unha "nova ofensiva" para a que, dixo, Kíiv está "preparado". "Prevemos que as hostilidades activas comezarán nesta rexión nun futuro próximo", afirmou, en alusión ás cidades e vilas deste territorio baixo control de Ucraína. 07.30 | Medvédev: "Rusia non se fechará ao mundo en vinganza contra os idiotas" O ex presidente da Federación Rusa e actual vicepresidente do Consello de Seguridade do país, Dmitri Medvédev, vén de condenar, en declaracións recollidas por Russia Today, a "prohibición da cultura rusa" en Occidente tras o inicio da invasión de Ucraína. Neste senso, lamentou que "moitos europeros loen Dostoyevski, Chéjov, Shostakóvich e Pushkin" mentres "pretenden apropiarse dos bens materiais [rusos] que se atopan temporalmente no estranxeiro". A este respecto, apuntou: "Rusia non se fechará ao mundo en vinganza contra os idiotas".
NOS_6288
Entre agosto de 1936 e xaneiro de 1937, a bisbarra de Tabeirós- Montes foi escenario dunha sistemática morea de asaltos, secuestros, extorsións e aleivosas violacións de domicilios de antigos esquerdistas, cuxo planeamento apunta a mandos provinciais e locais da Falange. Bota luz sobre estes feitos o historiador Dionisio Pereira.
É sabido que a represión económica, pola que persoas desafectas ao novo réxime faccioso pagaban o seu desleixo co patrimonio, regulamentouse co Decreto-Lei do 10/1/37 polo que se creou unha "Comisión Central Administrativa de Bienes Incautados por el Estado", encargada de incoar a nivel provincial os "Expedientes de Responsabilidades Civiles" que adoito remataron en multas ou expropiacións. Antes, confiscados xa os bens dos colectivos afectos á Fronte Popular por outro Decreto datado o 13/9/36, na Galiza o que imperou maiormente foi a ladroeira pola brava: co movemento consolidado, asaltos a domicilios e negocios nos que tiñan lugar roubos de pertenzas persoais ou ferramentas de traballo, estiveron á orde do día; tamén as multas impostas de xeito masivo por todo tipo de "autoridades" e por calquera motivo, amosaron unha alta eficacia na socialización do castigo. Daquela, entre agosto de 1936 e xaneiro de 1937, a bisbarra de Tabeirós- Montes foi escenario dunha sistemática morea de asaltos, secuestros, extorsións e aleivosas violacións de domicilios de antigos esquerdistas, cuxo planeamento apunta a mandos provinciais e locais da Falange. Diante do silencio dunha veciñanza atemorizada polos asasinatos cometidos na contorna, foi o xuíz de instrución da Estrada Fermín Bouza Brey quen desenguedellou o novelo nun sumario aberto o 1.12.36, días despois de se producir perto de Codeseda o derradeiro asalto, desta volta na casa dun antigo apoderado das dereitas. Así, o ideario afín á "Santa Causa" da vítima deu pé a Bouza para investigar e, ao cabo, focalizar a responsabilidade das agresións en dúas persoas, o xefe provincial de FE Manuel Castro Pena e o seu enlace Ramón Bao Lagares, antes de pasar a instrución aos O imperio da roubacha tras o golpe militar: o caso de Tabeirós-Montes tribunais militares. A fin de contas, a información da Causa 8/37 permite albiscar tanto a fosca metodoloxía das represalias, como formular a pregunta de se aquela puido ser aplicada polo país adiante. Velaí, en síntese, o "modus operandi". A desfeita comeza mediado agosto, cando o estradense Castro Pena convocou unha xuntanza de xefes locais da contorna (A Estrada, A Consolación, Cuntis, Cerdedo…) co obxectivo de recadar 1,5 millóns de pts. para, seica, rescatar a José Antonio e devolver uns préstamos. Aos poucos, confórmanse as partidas encargadas das requisas con milicianos do cuartel de FE da Consolación (Tabeirós) e tamén da escolta do xefe provincial: o referido Bao, matón de pésimos antecedentes aveciñado en Quireza (Cerdedo), Constantino Alonso, sarxento de Regulares natural de Castro (Cerdedo), Ricardo Menéndez "O Cubano", implicado en varios asasinatos e secuestros en Bouzas, o xefe de milicias da Consolación Alfonso Castro Pena, o xefe local de FE de Tabeirós Pelayo Bergueiro…. Tras eles, un fato de falanxistas, algúns moi novos. As requisas, realizadas tras ordes verbais de Castro Pena con violencia e nocturnidade, durarán máis de 4 meses (o mestre galeguista Manuel García Barros, foi unha das vítimas) e terán como centros loxísticos os cuarteis da Consolación e da Estrada, así como a taberna-cheka do Outeiro (Quireza) rexentada polos falanxistas Rogelio Gamallo e Paulina Bugallo. Nesta, moitos veciños incluídos en listas negras elaboradas por Bao, foron extorsionados baixo ameazas e malleiras para que entregaran fortes sumas de diñeiro, contando coa anuencia do crego e do concurso dos pedáneos. Mesmo se utilizou un documento apócrifo do General Cabanellas para xustificar as multas. Non foi a única lista de "roxos" que circulou naquela altura, pois o crego da Madalena (Soutelo de Montes) Aquilino López Picón, ideou outra de varóns esquerdistas comprendidos entre 18 e 40 anos, para envialos á fronte a cargo da Falange. Para iso contou cos padróns aportados polos párrocos de Castro, Tomonde e Quireza; logo, eliminábanse da listaxe aqueles que efectuaran o pago de certas cantidades, que Bao se encargaría de cobrar. Como quedou dito, tras a intervención de Bouza, a trama ficou ao descuberto e, no albor de 1937, o "Delegado Territorial de 2ª Línea de Falange", Raúl Boo, iniciou un inquérito interno que ratificou o sumario e provocou a expulsión de Castro Pena, Bao, Alonso e outros da FE, así como a supresión da xefatura de Tabeirós. Mais a Causa 8/37, instruída contra unha trintena de falanxistas, ficou na gabeta en abril de 1938, xa que o Auditor de Guerra Martín Barbadillo só enxergou exceso de celo nos dirixentes e obediencia debida nos milicianos; todos eles, saíron á rúa tras poucos meses de cadea. Do diñeiro incautado, nunca máis se soubo; os delitos, pois, ficaron impunes. Unha impunidade que, insistimos, perdura mercé á Lei de Amnistía de 1977. [Esta información foi publicada no A FONDO "Os nomes da represión", publicado co Sermos Galiza 208, á venda na loxa]
PRAZA_797
A plataforma cidadá presenta as 25 medidas "de urxencia" que aplicará no caso de chegar ao executivo local, desde o que rexeitará colaborar cos desafiuzamentos e cancelará as contas que teña cos bancos que os leven a cabo.
A Marea Atlántica presentou este mércores as 25 medidas que executará nos primeiros cen días de goberno no caso de que chegue ao poder na Coruña. Supoñen, ademais, as liñas vermellas que a plataforma marca xa para posibles pactos despois dos comicios do vindeiro 24 de maio e que cualifica de "innegociables". As 25 medidas para os primeiros 100 días son "innegociables" e liñas vermellas para posibles pactos tras os comicios Trátanse, como asegurou o candidato da Marea, Xulio Ferreiro, dun "plan de choque que atenda as urxencias e tamén simbolicen o comezo dun novo ciclo político na Coruña, onde a prioridade volverán ser as persoas, non os poderes económicos". A plataforma adiantou xa algunhas desas medidas, entre as que destacou a pensada para converter A Coruña "nunha cidade libre de desafiuzamentos". "No que dependa do Concello, non se vai colaborar con ningún despexo, como ocorreu no recente caso de Elviña. O persoal municipal non está para botar as persoas das súas casas", insistiu Ferreiro, que aclara que, nos casos que non dependan do goberno local, poranse "todos os recursos dispoñibles para axudar os afectados e as afectadas". Ademais, o Concello cancelará os seus saldos nas contas que teña nas entidades financieras que executen despexos, "apostando pola banca ética". O Concello non colaborará cos desafiuzamentos e cancelará as contas que teña cos bancos que os leven a cabo En canto á transparencia, entre esas 25 medidas inclúese tamén a publicación de todos os contratos do Concello e a inclusión de todos os grupos municipais nas mesas de contratación. "Tamén descentralizaremos a xestión, creando xuntas de barrio ou distrito con capacidade de decisión sobre algúns dos asuntos que lles afectan directamente", explicou. Outras das moitas medidas anunciadas por Xulio Ferreiro foron a revisión do convenio de Someso, a creación dunha Renda Social Municipal que axude a "garantir unha vida digna a todas as persoas"; impulsar un Plan de Emprego que "poña especial atención nos sectores en risco de exclusión". Nese sentido, tamén asegurou que a Marea elaborará "un plan serio para acabar cos asentamentos precarios" "É algo que sabemos que non se vai conseguir en 100 días pero que afrontaremos desde o principio", dixo, tras anunciar que o goberno da Marea detectará e "eliminará" os puntos de vertedura á ría do Burgo dentro do espazo municipal. Ademais, entre as medidas inclúese unha auditoría e renegociación da débeda do Concello ou a revisión de convenios como o asinado coa Autoridade Portuaria. Segundo Ferreiro, o porto exterior non pode financiarse coa venta de pisos no peirao urbano e propón que estes terreos sean destinados a espazos públicos, en lugar de a torres de vivendas. A Marea promete tamén rebaixar os soldos do goberno e o número de asesores, a aprobación dun plan municipal de emprego, aplicar unha tributación progresiva e máis xusta, o cumprimento da lei de Memoria Histórica e a retirada do rueiro franquista ou a prohibición de ceder recursos municipais ás touradas.
NOS_36648
Nunca 140 caracteres deran para abrir tantas reflexións a respeito do machismo. A campaña #PrimAcoso aínda fai ferver as redes sociais. Falamos coa súa impulsora, a concelleira de Igualdade de Pontevedra, Carme Fouces (BNG). Deixamos aquí un extracto da entrevista, que podes ler completa no Sermos Galiza 224, xa á venda na loxa online e nos quiosques.
As redes sociais seguen a ferver co cancelo #PrimAcoso. Como naceu unha iniciativa en que as mulleres dan conta do primeiro acoso que lembran? Fundamentalmente, xurdiu dun proceso de reflexión, de ver como podiamos poñer enriba da mesa esa realidade oculta en que despois se edifican os titulares. Todos os casos que saen cara a fóra son mediáticos e sensibilizan, e son cuestións "puntuais", case extremas. Pero toda a parte de abaixo, todo iso ten unha parte vital: moitos anos de patriarcado. Os homes non se transforman de maiores en acosadores, veñen facendo este tipo de accións máis ou menos consentidas ou graves ao longo de toda a vida. Moitos dos homes que tiveron a opción de estaren en contacto con nenas nalgún momento fixeron algún acto que teñen a ver con esa humillación ás mulleres, como acurralar unha nena, burlarse de algo físico, levantar a saia... pero claro, por sorte, pasados os anos, unha inmensa maioría dos homes abandona ese camiño e reflexiona. Aínda así, a maioría deles non son quen de chegar ao fondo, e é que naquel momento eles tamén eran vítimas do sistema do patriarcado. Por todo isto, sacamos adiante esta visión e falamos en profundidade das verdadeiras raíces do que despois se desenvolve nun titular de prensa e nunha noticia impactante. Impactante está a ser a acollida da campaña nas redes sociais. Tiñamos certas dúbidas a respeito da acollida. Dúbidas sobre a valentía da xente, porque non deixa de ser esta unha sociedade que nos ten aleccionadas para ocultarmos estas cousas e para nos avergoñar arredor de todo este tipo de acosos, cando a vergoña é que acontezan. Non sabiamos até que punto habería un número importante de persoas a rebuscar e a atopar ese momento que aconteceu con aquel veciño, cun amigo do pai ou do irmán... Un momento que era algo raro e que recoñecemos cando somos maiores. Chegar a ese punto e botalo fóra podemesmo implicar un problema persoal e por iso non sabiamos como ía afectar.
NOS_36413
A Galiza sofre un nivel de envellecemento moi acusado, unha realidade que proban as cifras estatísticas. Así, en 2021, na Galiza residían 163,59 persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 20. O índice galego de envellecemento multiplicouse por catro desde 1975.
O índice de envellecemento, calculado como o cociente das persoas de 65 ou máis anos entre as menores de 20 anos, amosa a grao de envellecemento da poboación. No ano 2021, na Galiza, este índice, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), obtivo o valor de 163,59, é dicir, por cada 100 mozos menores de 20 anos residían na Galiza máis de 163 maiores de 64 anos. Galiza perderá 300.000 habitantes até 2035 Un índice de envellecemento que se atopa moi por riba da cifra media do conxunto do Estado español, onde en 2021 residían 129,11 persoas maiores de 64 por cada 100 menores de 20. Así, o índice de envellecemento galego supera a media estatal en máis de 30 puntos. A diferenza no envellecemento galego con respecto ao do conxunto do Estado español tamén experimentou un importante cambio durante a serie histórica, a diferenza en 1975 era de apenas tres puntos, cun índice de 38,07 na Galiza e de 34,99 no conxunto do Estado español. Polo tanto, a diferenza entre o envellecemento galego e o do conxunto do Estado en 1975, de tres puntos, multiplicouse por máis de 10 no transcurso das décadas para superar os 33 puntos en 2021. Esta tendencia de envellecemento na Galiza, ademais, incrementouse sen interrupción en todos os anos da serie, que comeza en 1975. Así, mentres que ao principio da serie histórica había na Galiza 38,07 persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 20, a última cifra coñecida de envellecemento, a de 2021, chegou a multiplicarse máis de catro veces. Esta taxa alcanzou a paridade no ano 1999, cando por primeira vez desde que hai datos o número de persoas maiores de 64 anos superou o de menores de 20, un índice de envellecemento de 100,31. Demografia, macroeconomia e tecido produtivo Unha cifra de paridade no envellecemento galego que chegou na última década do século XX, nuns anos nos que a poboación galega estaba a experimentar un cambio moi pronunciado na súa estrutura demográfica. Desta forma, entre 1990 e 2002, con Gobernos liderados por Manuel Fraga Iribarne, o índice de envellecemento da Galiza chegou a duplicarse en tan só 12 anos, pasando esta taxa da cifra de 60,02 a 119,70. Desta forma, durante a estadía de Fraga na Xunta da Galiza, entre 1990 e 2005, o índice de envellecemento da Galiza aumentou a un ritmo de 4,6 puntos por ano. Desaceleración do índice no bipartito e posterior avance con Feixoo O índice de envellecemento galego experimentou unha desaceleración a partir do segundo ano de Goberno bipartito (PSdeG-BNG), entre 2006 e 2009, nun período no que esta taxa medrou a un ritmo medio de 1,66 puntos por ano. Galiza disputa con Mónaco e Corea do Sur ter a taxa de natalidade máis baixa do mundo Porén, a cifra volveu incrementarse a unha media de 2,2 puntos de crecemento anual entre 2009 e 2021. Desta forma, durante as catro lexislaturas con Alberto Núñez Feixoo ao mando da Xunta da Galiza experimentou unha suba importante no índice de envellecemento, que se incrementou desde 137,25 en 2009 até 163,59 en 2021. A taxa aumentou, por tanto, nun total de 26,34 puntos durante os diferentes Executivos liderados por Feixoo na Xunta.
PRAZA_14513
O Partido Socialista en Galicia funciona coma se fose unha franquía. A súa infraestrutura vive das rendas electorais dun PSOE consciente de que antes ou despois goberna, dentro do vaivén turnista da actual democracia española. Non é que non haxa dinamismo na base socialista, é que se lle bota pesticida tan pronto prende a primeira herbeira de debate interno. Pachi Vázquez é o chofer dun PSdeG que presume de carrozaría máis que de motor.
O Partido Socialista en Galicia funciona coma se fose unha franquía. Se o socialismo catalán é independente e o vasco goza de ampla autonomía, o PSdeG presume xustamente do contrario, de manter inalterable a política que marca a dirección estatal. Na recente historia do socialismo en Galicia o importante non era o que facer senón o onde estar. A súa infraestrutura vive das rendas electorais dun PSOE consciente de que antes ou despois goberna, dentro do vaivén turnista da actual democracia española. A súa infraestrutura vive das rendas electorais dun PSOE consciente de que antes ou despois goberna, dentro do vaivén turnista da actual democracia española O importante no PSdeG é ser quen controla a marca, quen representa aquí a mensaxe alternativa de masas ao PP, sen máis esforzo. Fóra do paraugas das súas siglas a vida esmorece –o ex alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, resistiu unha fin de semana á intemperie– e para estar comodamente sentado dentro é máis importante o xogo cortesán que a relación coa militancia. Pensemos en Xosé Manuel Laxe, deputado no Hórreo con gran prestixio e marca histórica de presentación de propostas, candidato querido polas bases da súa comarca e provincia, apartado das listas para o 21 de outubro por vontade do ex ministro Francisco Caamaño dentro da disputa territorial con Pachi Vázquez na Coruña. Non é que non haxa dinamismo na base socialista, é que se lle bota pesticida tan pronto prende a primeira herbeira de debate interno Non é que non haxa dinamismo na base socialista, é que se lle bota pesticida tan pronto prende a primeira herbeira de debate interno. As voces máis críticas coa dirección do PSdeG proveñen moitas veces das súas Xuventudes, dalgúns dos seus candidatos municipais que pelexan por facer posible algo incompatible: ter liberdade de pensamento e manterse dentro da estrutura de poder do partido. Velaí Xoaquín Fernández Leiceaga, acubillado no banco da oposición local en Compostela logo de ser a voz do seu partido no debate de reforma do Estatuto de Galicia. A Rede Galeguista do partido que impulsaron Miguel Barros e Iván Vaqueiro murchou antes de dar o primeiro froito O galeguismo no PSdeG ten máis saudables as raíces ca as pólas. A Rede Galeguista do partido que impulsaron Miguel Barros e Iván Vaqueiro murchou antes de dar o primeiro froito. Barros busca agora espazo para ese galeguismo socialdemócrata en Compromiso por Galicia; Vaqueiro, candidato á alcaldía do Porriño nas últimas eleccións, apartouse da primeira liña política. Entre a militancia hai de sempre un pouso autóctono que se entremestura nunha harmonía digna de admirar con aqueloutros socialistas que abusan do localismo e desconfían da autonomía, que estimulan o patriotismo de barrio mentres desprezan a cultura e o idioma galegos. Pachi Vázquez é o chofer dun PSdeG que presume de carrozaría máis que de motor Pachi Vázquez é o chofer dun PSdeG que presume de carrozaría máis que de motor. O ex alcalde do Carballiño sabe que o importante no partido é ter o volante e avanta a gusto pensando que o desgaste do PPdeG o pode converter en próximo presidente da Xunta sen nin sequera pousar o pé no acelerador. Iso é o bo, pensa el, de liderar un partido-coche. Mais como en calquera vehículo, o piloto pode ser relevado facilmente, aproveitando, por exemplo, que pare a poñer combustible nunha gasolineira, digamos, en Guitiriz.
NOS_21875
Con 3 de cada 10 galegas e galegos sen aínda decidiren por quen votar o 12-X, segundo as enquisas, vólvese aínda máis crucial o debate electoral que a CRTVG emitirá por radio e televisión a segunda feira, 29 de xuño. A contenda pode ser decisiva para decantar a balanza a prol dunha nova maioría absoluta para o PP ou dunha alternativa que, segundo os inquéritos, liderarían Gonzalo Caballero (PSdeG) ou Ana Pontón (BNG).
Ás 21.30 horas da segunda feira, 29 de xuño, dará inicio o único debate que o medio público galego organiza coas e cos candidatos a presidir Galiza. O encontro dividirase en catro grandes bloques temáticos: a xestión do coronavirus, a nova normalidade e a reconstrución; políticas económicas, industriais, orzamentarias e fiscais; políticas sociais e de benestar, educación e sanitarias; e modelo institucional, pactos, gobernabilidade e o papel da Galiza no Estado. As condicións do debate foron pactadas o pasado 22 de xuño por representantes das sete forzas políticas que a CRTVG convidou a participar. Estes son os candidatos e a candidata do que se denomina como "grupos representativos" (Partido Popular, Marea Galeguista, Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego) e os chamados "grupos significativos" (Galicia en Común, Ciudadanos e Vox). O debate das anteriores eleccións galegas, en 2016, foi determinante para o BNG, xa que conseguiu posicionar a súa candidata, daquela tamén Ana Pontón, no cara a cara contra Alberto Núñez Feixoo, conseguindo a nacionalista centrar a súa posición como alternativa ao PP. Analistas coincidiron en situar aquel debate como crucial para o BNG lograr a súa recuperación electoral naqueles comicios. "Estou desexando que chegue a segunda feira", afirmou onte a nacionalista en referencia á súa participación no debate. Conscientes da relevancia deste espazo tamén son no PSdeG, cuxo líder, Gonzalo Caballero estréase como candidato. O socialista ten táboas en platós de televisión e mesas de análise e debate, mais verase a segunda feira se o feito de non ter entrado no Parlamento até xuño do pasado ano e de non ter sido nomeado portavoz do seu grupo na Cámara até decembro pasará factura á hora de confrontar con Núñez Feixoo. O debate tamén será determinante para Galicia en Común poder reverter as enquisas, que a colocan por detrás do Bloque e do Partido Socialista; e para situar o seu líder, Antón Gómez-Reino, na pugna por presidir o país. Reino si ten experiencia no debate parlamentar, pois leva catro anos como deputado no Congreso.
PRAZA_1508
Non se trata de ter un par de deputados ou deputadas en Madrid, por moi bo traballo que fagan, senón de quedar por diante do PSOE e disputarlle á dereita o liderado electoral, polo menos nas circunscricións de Pontevedra e da Coruña. Trátase de contar cun grupo parlamentar potente. Haberá Marea?
Resulta difícil lembrar un suxeito político que xerase en Galicia tanta expectativa antes de existir como a marea galega da que tanto se fala ultimamente, sobre todo desde que os resultados electorais do 24 de maio desaloxasen ao Partido Popular de todas as alcaldías urbanas, agás Ourense (en minoría) e das principais vilas do país. Desde una posición favorable á constitución deste suxeito político, vou revisar algunhas das medidas que podemos tomar para que o barco non afunda antes de saír do porto, por seguir coas metáforas náuticas. 1. Hai que querer. Isto parece evidente, pero foi neste mesmo xornal onde puiden ler nunha ocasión o interesante concepto de "pactos para que si" e "pactos para que non". É dicir, cando as organizacións políticas propoñen coalicións ou candidaturas de unidade popular, é importante que sexan ofertas feitas co obxecto de que a contraparte as tome en positivo e non para marcar posicións de cara a concorrer en solitario ou nunha coalición diferente á declarada. Por exemplo, o sucedido nas eleccións europeas coas distintas organizacións de obediencia nacional galega foi un exemplo perfecto de escenificación de "pactos para que non". Ben, pois nesta ocasión é preciso que todos os pactos sexan para que si. 2. Hai que pór a negociar aos que queiran. Nas distintas organizacións políticas actuantes en Galicia, hai distintas correntes, sensibilidades e talantes. Se envías a negociar a persoas intransixentes que confunden o servizo á cidadanía cunha pelexa de galos e que non se fían das demais pois é posible que a cousa non funcione moi ben. A non ser que sexa un "pacto para que non". Nese caso, ese tipo de persoas son perfectas para facer o papel de emisario. 3. A cidadanía ten que xogar un papel protagonista. Se estudamos os resultados das candidaturas chamadas "mareas" resulta especialmente destacable o sucedido na Marea Atlántica da Coruña, encabezada por un independente e na cal un grupo de "persoas sen carné" dirixiu a campaña e a estratexia, e na cal non só estaban os partidos do espazo AGE senón tamén Compromiso por Galicia, Podemos e Equo. Compárense os seus resultados cos de Vigo, onde a Marea era unha coalición de facto entre Esquerda Unida e Anova. Por non falar dos resultados obtidos en solitario por BNG, CxG, Equo, Gañemos... Como facelo? Programas sometidos ao debate público, asembleas abertas locais e sectoriais, etc. Tamén creo que as primarias deben ser unha ferramenta a utilizar, seguramente pactando os números 1 das distintas circunscricións pero deixando aberto o resto da lista e garantindo postos ás minorías. Habería que descartar as primarias con listas en prancha: na práctica, listas pechadas nas que o gañador leva todo. Tamén debería haber urnas telemáticas e presenciais e estas poderían combinarse co pagamento dunha pequena cantidade para financiar a campaña. 4. Non se poden pór portas na Marea. Ou dito doutro xeito, ten que ser ampla e caber todo o mundo, se acaso coa excepción de persoas que defendan a necesidade de accións armadas, o cal nin sequera debería ser preciso explicitar. Sendo máis precisos, ten que entrar todo o que está entre BNG e Podemos. É dicir, ademais destes dous, terían que estar Anova, Compromiso por Galicia, Esquerda Unida, Equo, Ecogaleguistas, etcétera. E loxicamente as "mareas municipalistas", os sindicatos de clase, ONGs progresistas e demais. No seu día fíxose algo parecido: chamábase Plataforma Nunca Máis. Obviamente, non se pode caer na inxenuidade: un sector do BNG non quere ir co que eles consideran españoleiros. só así se entenden declaracións nas cales se "dá a benvida ás forzas españolas que rompan con Madrid" como o crego que absolve os pecadentos arrepentidos. O mesmo tipo de reticencias haberá en CxG (con menor intensidade, seguramente). Igualmente haberá resistencias doutro tipo no sector máis ortodoxo (PCE vello) de Esquerda Unida, que non quererá xuntarse con socialdemócratas nin con nacionalistas aos que consideran un movemento burgués. Non as haberá en Anova, pero porque xa sufriu a escisión do colectivo Cerna no seu momento. Por último, no relativo a Podemos, tampouco parece moi respectuoso defender que a Unidade Popular se faga baixo as siglas Podemos-Otra Cosa. 5. Marea Galega, polo tanto grupo parlamentar galego. Dando por boa a hipótese dunha candidatura de unidade na que participasen as devanditas forzas, as seccións galegas dos partidos estatais deben entender que ao ecosistema político propio do noso país lle corresponde un grupo parlamentar propio, sen ningunha obediencia concreta máis alá do que podería ser, por exemplo, votar a favor da investidura como presidente de Pablo Iglesias. Por outra parte, pretender que forzas coa traxectoria do BNG tragasen con ese sapo só se entendería no caso dun "pacto para que non". Nese caso, recomendo volver ao punto 1. Porén, un grupo parlamentar galego non significa facer unha política isolacionista. Fago miñas as reflexións de Anxo Quintana, impulsor da plataforma Somos Nós, porque creo que expresan ben a idea: "Iso non implica que a voz propia sexa unha representación illada e allea ao que sucede no Estado. Ao contrario, ten que ter vontade de chegar a acordo con outros grupos e así determinar a vontade colectiva do Estado para que esta teña en conta a Galiza e se faga de acordo cos intereses da maioría social. Estes obxectivos deberían ser suficientes para chegar a algún tipo de acordo." 6. Sexamos optimismas e armémonos de argumentos. As forzas da razón e sobre da emoción deben estar do noso lado. Neste mesmo xornal hai bastantes artigos que van nesta liña e poden servir de complemento ao que aquí tentei expresar, como este de Marilar Aleixandre ou estoutro de Antón Baamonde. O éxito de moitas iniciativas municipalistas alternativas estivo en convencer á xente de que si se podía, comunicando en positivo e desde a alegría. Ultimamente é frecuente empregar a a saga Canción de Lume e Xeo de George RR Martin e a serie da HBO baseada nas novelas para sacar leccións políticas. Porén, para min unha das importantes non ten que ver estritamente coa política. É a que lle dá o espadachín de Braavos, Syrio Forel, a Arya Stark acerca do que debe dicirlle ao deus da morte cando vaia por ela: "hoxe non". Digámoslles aos poderosos que hoxe non, que non nos resignamos a que este país sexa un xeriátrico inzado de eucaliptos no que a mocidade emigrou a Londres, que nunca nos tomamos en serio iso de que Galicia es una mierda, salvo en verano que puedes ir a la playa. Remato cunha explicación persoal e un argumento potente a favor da Marea. A explicación persoal é que eu participei nunha candidatura de partido (a de Compromiso por Galicia-Santiago) e fun dos que rexeitou participar nunha candidatura de unidade na que si se integraron outras forzas e que hoxe preside a cámara municipal. Os motivos para rexeitar aquela proposta seguen sendo válidos a día de hoxe, aínda que seguramente non foi a decisión máis acertada. Pode haber quen pense que iso me quita lexitimidade para apostar por unha Marea Galega. Respecto a quen o pense pero precisamente, das experiencias pasadas se aprende. O argumento final está, precisamente, moi relacionado cos riscos de concorrer en solitario. Un bo motivo para facer forza en común é que podemos gañar e así facer unha sociedade máis xusta e un país máis libre. Non se trata de ter un par de deputados ou deputadas en Madrid, por moi bo traballo que fagan, senón de quedar por diante do PSOE e disputarlle á dereita o liderado electoral, polo menos nas circunscricións de Pontevedra e da Coruña. Trátase de contar cun grupo parlamentar potente. Haberá Marea?
NOS_23991
300 entidades, que representan máis de 20.000 persoas, únense nunha fronte común co obxectivo de "saír desta crise".
A situación de illamento social e inestabilidade económica provocada pola pandemia da COVID-19 está tendo como consecuencia unha gran crise no ámbito da cultura do noso país. Son varias as medidas que están a xurdir, pero desde a música e o baile tradicional queren manifestar e achegar "algunhas máis" que reflictan as particularidades do sector, e demandan das administracións que "contemplen" a súa situación. "A música e o baile da nosa tradición, dinamizada a través das Asociacións Culturais, representa un motor indispensable sen o cal o sector profesionalizado da cultura sería moito menor", explican os colectivos que apoian estas medidas, que agrupan a máis de 20.000 asociadas, compoñentes, traballadoras e alumnas que pertencen ou desenvolven o seu traballo en asociacións ou colectivos, que ofertan innumerábeis actividades como clases, concertos, espectáculos, festivais, foliadas, seráns, feiras de artesáns, etc., "Queremos facer fincapé en que a paralización da actividade está a supoñer importantes perdas na actividade económica, que dificilmente poderá recuperar a súa normalidade sen a axuda da administración e de toda a sociedade galega", explican. As actividades mencionadas non se contemplan no Plan de Reactivación para os Sectores Cultural e Turístico proposto pola Xunta. Por este motivo, solicitan o compromiso de axuda e colaboración tanto da Xunta , como das Deputacións e dos concellos.
NOS_5700
As socialistas ven necesario un modelo produtivo máis social, as nacionalistas aseguran que hai que "derrogar as reformas laborais" e desde a coalición Galicia en Común-Anova defenden que se fortaleza o sector público.
Os principais partidos da oposición galega celebran este Primeiro de Maio, atípico pola excepcionalidade que marca a crise do coronavirus, con mensaxes que apostan pola igualdade nos dereitos das traballadoras e pola defensa do público nun contexto político complexo pola cancelación dunhas eleccións que fican sen data. O líder da oposición, o socialista Gonzalo Caballero salientou que "neste momento de crise económica e social, é máis necesario que nunca defender os dereitos das traballadoras, un modelo produtivo acorde aos dereitos sociais e o estado do benestar". O secretario xeral do PSdeG reivindicou "un emprego de calidade, digno e estábel" para todas e centrou os seus esforzos nas mulleres traballadoras que "sofren unha fenda salarial que evidencia a desigualdade" que aínda existe. "Derrogar as reformas laborais" Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxe "derrogar as reformas laborais" que precarizan o emprego. Neste contexto marcado por unha crise sanitaria aparellada a unha grande crise social e económica, a nacionalista ve necesario pór en marcha "un gran acordo de país" para saír da crise "cunha alternativa económica que aposte por crear emprego de calidade". Pontón sinalou que "o emprego máis precarizado" foi o máis importante para enfrontar a crise e que "a maior parte dese emprego é ocupado por mulleres no ámbito sanitario, nos supermercados ou no ámbito da limpeza e dos coidados". A "urxencia" de rematar con esta precariedade, explicitou, debe centrar "todos os grandes acordos". "Hai que traballar nunha alternativa social para superar a crise do coronavirus e facelo confiando e apostando polas posibilidades e potencialidades que ten a Galiza", afirmou. "Fortalecer o público" Pola súa banda, o portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, chamou a sociedade galega a construír "un futuro mellor" e a empregar todas as ferramentas do Estado e do Goberno galego para "fortalecer o público como protección igualitaria para todas". "Afrontemos unidas a necesidade dun modo de produción e de existencia máis humano, rematemos coa precariedade como forma de vida e explotación, e preocupémonos de coidar de quen nos coida", manifestou neste Primeiro de Maio. Gómez-Reino lembrou ás miles de familias traballadoras e autónomas galegas "que non poden ir traballar porque a epidemia obrigou a fechar grandes e pequenas empresas e negocios". "Defendemos o valor do público porque é a única garantía de que ningunha delas queda atrás", aseverou.
NOS_15283
Un 35,7% das mulleres galegas foron vítimas de acoso sexual e un 33,9%, isto é, unha de cada tres, sufriron violencia por parte da súa parella ou ex parella. Son datos extraídos da Macroenquisa de Violencia contra a Muller 2019 que presentou onte o delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada.
Un 35,7% das mulleres galegas foron vítimas de acoso sexual e un 33,9%, isto é, unha de cada tres, sufriron violencia por parte da súa parella ou ex parella. Son datos extraídos da Macroenquisa de Violencia contra a Muller 2019 que presentou o delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada. O obxectivo do estudo pasa por coñecer a porcentaxe de mulleres de 16 ou máis anos que sufriron ou sofren actualmente algún tipo de violencia polo feito de seren mulleres. A nivel estatal, segundo informou Losada. O 35,7% de mulleres galegas que declararon sufrir acoso sexual nalgún momento da súa vida e que corresponde a máis de 498.000 galegas, sobe ao 40,4% a nivel estatal, porcentaxe que representa máis de 8 millóns de mulleres. En cambio, a porcentaxe do 33,9% de mulleres galegas que sufriron ou sofren violencia por parte da súa parella ou ex parella, e que atinxe máis de 473.000 mulleres, sitúase por riba do 14,2% estatal, que representa case 3 millóns de mulleres. En termos explicativos, a porcentaxe galega duplica a estatal por moito. Entre as galegas que foron vítimas de violencia machista, un 27,6% manifesta sufrir violencia psicolóxica, un 24,1% refire violencia emocional, un 16,2% desvela violencia física ou sexual, un 14,1% foi ou é vítima de violencia económica e un 6% foi vítima de comportamentos de control nos últimos 12 meses.O acoso reiterado afectou ou afecta un 17,9% das galegas, por encima do 15,2% global que representa a 3,1 millóns de mulleres. Case o 60% das vítimas deste tipo de acoso padeceuno cunha frecuencia semanal ou diaria. A sexta macroenquisa contou con 549 entrevistas na Galiza e un total de 9.568 no conxunto do Estado e engadiu módulos de acoso sexual e acoso reiterado, ademais de ampliar o vinculado á violencia sexual fóra da parella. Participaron da sondaxe 237 mulleres galegas ocupadas e 312 non ocupadas. Por idade, 64 atópanse na franxa de idade de 16 a 29 anos; 129 sitúanse entre 30 e 44 anos; 189, entre 45 e 64 anos e 164 contan con 65 ou máis de 65 anos. Rachar coa violencia Denunciar a violencia, buscar axuda nalgún servizo formal ou falar do sucedido con alguén da contorna (nai, amiga, pai, etc.) incrementa en todos os casos as posibilidades de acabar coa relación violenta. Segundo a enquisa, aínda que só se facilitaron datos globais e non desagregados por territorios, o 81,9% das mulleres que denunciaron ou buscaron axuda formal ou informal pola exercida por parellas pasadas, romperon a relación. Porén, a porcentaxe descende até o 49,6% entre as que nin denunciaron nin buscaron axuda formal ou informal. "Aínda que en termos estritos non pode falarse de relación de causalidade si que parece que calquera tipo de actuación no sentido de compartir o sucedido repercute positivamente na saída da violencia", afirmou o Ministerio de Igualdade, que salienta a importancia de difundir información sobre recursos dispoñíbeis e de facer boas campañas de sensibilización. Unha nova estratexia para o período 2021-2025 Igualdade anunciou a semana pasada que comezará o proceso de elaboración da nova Estratexia para Combater as Violencias Machistas (2021-2025), para poder garantir o dereito de todas as mulleres a vivir unha vida libre de violencias. Os datos achegados pola sondaxe, a máis relevante que se realiza no Estado español sobre a temática, poñen de manifesto o carácter estrutural da violencia machista. A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero é o órgano encargado da súa elaboración desde o ano 2011. Após facer públicos estes datos, Javier Losada animou os concellos a crearen mesas locais de coordinación fronte á violencia machista e a se adheriren ao Sistema Viogén.
NOS_18974
O nacionalista pon sobre a mesa catro criterios que consideran claves.
O portavoz do BNG, Néstor Rego, trasladou esta segunda feira ao vicepresidente segundo do Goberno español, Pablo Iglesias, o posicionamento da organización nacionalista a respecto dos orzamentos xerais do Estado, contas que son albo de negociación nestes momentos de cara á súa aprobación. Segundo os propios nacionalistas explican a través das redes sociais, o BNG considera que eses orzamentos deben de responder ou aterse a catro criterios desde o seu punto de vista. O primeiro deles pasa por un aumento "significativo" do investimen to territorializado para Galiza. "Un incremento significativo en relación co estabelecido nos últimos orzamentos de 2018 e coas previsións de 2019 que se situaban en 757 millóns de euros". "Incorporar as partidas necesarias para dar cumprimento estrito ao acordo de investidura asinado no mes de xaneiro entre BNG e PSOE" para apoiar a investidura do Goberno español é outro dos criterios. Os nacionalistas non están dispostos a que o contemplado naquel acordo (trasnferencia da AP-9, por exemplo) fique en papel mollado. Un terceiro criterio sería o de poñer no eixo das contas evitar que a crise derivada da pandemia acabe por ser pagada polas clases populares: "Apostar por uns orzamentos claramente sociais que permitan conseguir o obxectivo de que esta nova crise social e económica non a paguen unha vez máis os traballadores e traballadoras". Fondos europeos Por último, e como cuarto criterio, o BNG considera que os fondos europeos que correspondan á Galiza, "conforme a criterios de xustiza social e nacional, sexan xestionados polas administracións galegas e se destinen prioritariamente a proxectos públicos de interese social."
NOS_4449
A liquidación do orzamento de 2019 retrata o sistema de financiamento.
A liquidación do orzamentos do Estado de 2019 volve a pór negro sobre branco os problemas do actual modelo de financiamento. A maiores da insuficiencia das contías achegadas, que fan perigar as prestacións de determinados servizos básicos, o sistema vixente retrae para outras áreas do Estado unha parte dos impostos recados na Galiza. O economista Xosé Díaz, autor do ensaio As contas que nos contan, publicado por Sermos Galiza e un experto en financiamento público, advirte en Nós Diario dos "riscos do actual sistema" e crítica "a falacia de que a capacidade fiscal galega consiste nos tributos cedidos e non na tributación total que soportan os galegos e as empresas que teñen unha actividade empresarial na Galiza". As contas de 2019 certifican un saldo neto negativo para Galiza nas súas relacións co Estado. Así, Díaz, nun traballo rematado neste mes de agosto - Os resultados da liquidación do sistema de financiamento de réxime común ou das "rexións" -, onde estuda a liquidación do orzamentos do Estado de 2019, última anualidade con dados, sinala que nese exercicio Galiza perde 4.562 millóns de euros. Segundo os dados achegados por Díaz, aos que tivo acceso Nós Diario, o Estado recada en impostos en 2019 na Galiza un mínimo de 13.212 millóns de euros mais só reintegra 8.650 millóns. A este respecto, Díaz destaca que "deses 8.650 millóns, 6.256 proceden de ingresos tributarios e 2.393 millóns de transferencias do Estado". Os dados ofrecidos polo documento de liquidación orzamentaria de 2019 continúan na liña doutras anualidades. Neste sentido, Díaz indica que "en 2018 a cantidade achegada por Galiza ao Estado sitúase nun mínimo de 13.132 millóns de euros" porén a contía devolta fica en 8.268 millóns de euros, provocando un saldo negativo de 4.863 millóns As cifras atópanse nunha dirección semellante ás presentadas por Díaz para 2017, cando os galegos contribúen ao Estado cuns tributos mínimos de 12.214 millóns de euros, reintegrando a administración estatal 7.643 millóns e xerando un balance negativo de 4.570 millóns. Uns criterios desfavorábeis para Galiza Díaz considera moi desfavorábeis para Galiza os criterios seguidos polo actual sistema de financiamento. Neste sentido, advirte que a dispersión xeográfica só represContidos enta o 0,6%, un criterio "moi pouco ponderado para o custo real de achegar ao conxunto da poboación os servizos públicos ou as infraestruturas produtivas e sociais precisas". Esta variábel resulta especialmente gravosa para unha realidade como a galega, que suma máis da metade dos núcleos de poboación do conxunto estatal, tal e como teñen denunciado de xeito reiterado as diversas forzas políticas da Cámara. O escaso peso do envellecemento é outra pexa do sistema de financiamento denunciada por Díaz. A este respecto, lembra como a poboación maior de 65 só significa o 8,5% nos criterios de cálculo estatal para determinar as contribucións ás autonomías, fronte a 20,5% fixado para a poboación menor de 16 anos. Nesa dirección, destaca que "o custe dos servizos sanitarios ás persoas maiores é moito maior que ao primeiro grupo de idade, unha vez excluídas as idades máis temperás". Un debate de natureza política A lexislación española estabelece dous modelos de financiamento diferenciados para as comunidades. A maioría, entre elas Galiza, acóllense ao denominado réxime común, mentres Euskadi e Nafarroa fan parte do sistema do concerto, o que lles permite recadar os seus propios tributos e contar con instrumentos reais de política económica, o que segundo algúns economistas, explica en boa medida o seu maior nivel de prosperidade. O debate sobre o financiamento é de natureza política non de técnica contábel. Malia a isto, a aposta polo sistema do concerto gaña forza en sectores económicos e políticos doutras partes do Estado. Así , algúns dirixentes territoriais do PSOE, como a balear Francina Armengol, defenden estender o modelo do concerto, como elemento chave para dotar ás comunidades de ferramentas en materia económica.
NOS_42594
José Luis Baltar declarou hoxe no Xulgado nº 1 por un presunto delito continuado de prevaricación administrativa. A súa entrada causou incidentes entre un grupo de afectad@s polas preferentes, a Plataforma Stop Desafiuzamentos e cargos e militantes do PP da provincia.
O xuízo contra José Luís Baltar por un presunto delito continuado de prevaricación administrativa chegou ao seu ponto álxido coa presencia nos xulgados de Ourense do propio ex-presidente da Deputación. Diante do Pazo de Xustiza acudiron a dar o se apoio ao ex-líder do PP provincial cargos do seu partido e militantes convocados, segundo circulou entre @s concentrados, a través de varias redes sociais. Entre @s presentes estaba a deputada no Congreso Ana Belén Vázquez, concelleir@s do PP na cidade e os alcaldes de Celanova ou Xinzo, ademais de concelleir@s de Bande, Lobios, Melón e A Rúa. No mesmo lugar reuníronse ducias de persoas afectadas polas preferentes e membros da Plataforma Stop Desafiuzamentos de Ourense. Após berrar "contra a corrupción" na Deputación houbo varios incidentes que aumentaron coa chegada do propio Baltar ao lugar. Coa aparición do ex-presidente da Deputación aumentaron os berros en favor e en contra e até o propio Baltar reaccionou con violencia diante das persoas concentradas que o empurraban. O ex-presidente da Deputación negouse a responder ás preguntas da acusación particular e só contestou ás preguntas do xuíz, o ministerio fiscal e o seu avogado Ana Belén Vázquez "móllase" polo ex-presidente "Estamos totalmente seguros da su inocencia". Ana Belén Vázquez, deputada polo PP no Congreso, defendeu a inocencia do ex-presidente da Deputación de Ourense diante mesmo dos xulgados onde estaba a declarar o ex-líder d@s populares ourensáns. Acompañada polos alcaldes de varios concellos da provincia. Insistiu na inocencia de Baltar e declarou que as persoas compromisarias do seu partido no congreso celebrado en 2010, contratadas polo propio Baltar na Deputación, "non mudaban o resultado final" do que resultou gañador o fillo do acusado, José Manuel Baltar. A contratación destas persoas pouco antes de que se decidira a sucesión no PP de Ourense é un dos motivos que está a ser investigado polo xuíz deste caso. Imaxes: Óscar Pinal A deputada comentou sobre os incidentes á entrada dos xulgados que José Luís Baltar entrou a declarar "grazas a que os cargos do PP facilitamos o seu acceso" diante da protesta d@s afectad@s polas preferentes e a Plataforma Stop Desafiuzamentos. Sen declaracións á imprensa Unha hora e media durou a declaración de José Luís Baltar diante do xuíz no Pazo de Xustiza de Ourense. Ao remate abandonou as dependencias dos xulgados como entrou: sen realizar declaracións á imprensa. O seu único comentario foi, en relación ao interrogatorio diante do xuíz, "xa dixen o que tiña que dicir". No exterior agardaban aínda partidari@s e detractor@s que o recibiron con berros encontrados de "Presidente" e "Corrupto". Segundo algunhas fontes o ex-presidente da Deputación non quixo responder ás preguntas da acusación particular e só contestou ás preguntas do xuíz, o ministerio fiscal e o seu avogado. Baltar asegurou descoñecer o procedemento administrativo botando balóns fóra ao asegurar que eses trámites eran "cousa de outros".
NOS_12067
Advertencia de Beiras, o referente histórico de Anova, ao partido que dirixe Pablo Iglesias.
As tensións non teñen trazas de diminuír no seo da confluencia. Na mesma semana en que Alberto Garzón pide un reequilibrio de forzas dentro de Unidos Podemos -para as posicións de IU teren máis peso-, o líder histórico de Anova, Xosé Manuel Beiras, reclama da formación que dirixe Pablo Iglesias menor atención á "demoscopia" (isto é, aos inquéritos). En declaracións a Europa Press realizadas esta sexta feira en Pontevedra, Beiras dixo literalmente que a "esquerda emerxente" podería acabar en "mal porto" se Podemos "se preocupa da demoscopia e de como os seus posicionamentos impactan no eleitorado español". Inquirido sobre a pretensión de IU de reconsiderar os termos do seu acordo con Podemos, Beiras dixo que esas eran "cuestións internas" do espazo de Unidos Podemos, embora, en ton crítico, deslizou que "mal servizo fan se se enredasen en se lle corresponde máis ou menos a uns e outros". Esa dinámica de tirapuxa acabaría atinxindo tamén as confluencias en Galiza e Catalunya, alertou. A respeito da confluencia galega, Beiras advertiu que "hai que ver até medida se consolida En Marea como alternativa de unidade popular", para o cal demandou respeito aos "documentos fundacionais", no que pareceu unha chamada de atención a Podemos e Esquerda Unida (reticentes con Anova polo apoio que o partido agora liderado por Antón Sánchez ten emprestado ao soberanismo catalán). De non se gardar fidelidade aos textos aprobados na súa asemblea constitutiva "se está formalmente dentro de En Marea, mais en realidade se está fora", alegou o veterano dirixente.
NOS_20604
Colombia é o país convidado a unha das principais citas literarias xuvenís.
O XXIV Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra homenaxeará o escritor gañador do Premio Xerais Manuel Lourenzo, director do encontro literario durante varias edicións, e a ilustradora nada en Zamora Maife Quesada, pioneira na Galiza co seu traballo artístico, que comezou na década dos oitenta. A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, foi a encargada de anunciar esta quinta feira as novidades da cita literaria, que decorrerá entre o 21 de abril e o 7 de maio na cidade do Lérez. Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Fouces citou o pedagogo italiano Francesco Tonucci para lembrar que "xogar é unha cousa moi seria". "O xogo e a lectura son as ferramentas coas que se desenvolven cognitiva e emocionalmente as crianzas, e se conforman as persoas adultas", engadiu a edil de Cultura. Para Fouces, na edición de 2023 "vén un Salón cheo de vida, xogos e alegría; cheo de gratitude ás persoas que traballan, pican pedra e levantan a literatura do país". Colombia, país convidado Por outra parte, Carme Fouces anunciou que Colombia será o país convidado na edición do vindeiro ano do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. "É un grande exemplo de como a cultura pode ser empregada como ferramenta de transformación da contorna", subliñou a concelleira para destacar o traballo en zonas moi desfavorecidas "nas que, mediante o libro, a lectura e a cultura en xeral leváronse a cabo importantes cambios na sociedade". Neste sentido, diferentes persoeiros do país suramericano acudirán ao encontro literario "para que conten esa experiencia" e falen da súa cultura, concluíu Fouces.
NOS_53367
Desde os comezos no universo folk de Berrogüetto, pasando por proxectos máis íntimos, o nome de Guadi Galego estaba chamado a se converter en referente innegábel da música galega. O seu percurso en solitario abriu unha fuxida das etiquetas na procura da diversidade como principio absoluto. Con Immersion, un traballo no que a cantante se revisa a si mesma en varias linguas, leva a outro nivel ese ideal co que actualmente se identifica. Coa advertencia de que "podería mudar en calquera momento". Porque a vida, ademais de diversa, é unha aprendizaxe constante.
O último traballo de Guadi Galego, Immersion, recibiu o premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado, que a cantante recollerá este 20 de febreiro en Madrid. Aproveitamos para repasar con ela os principios que rexen a súa traxectoria, que desde o folk berrogüettiano se transformou nunha fuxida constante e premeditada das etiquetas, baixo a bandeira da diversidade e da identidade propia. —É ben sabido que Berrogüetto foi o seu salto á música profesional, mais que houbo antes? Meu pai era músico afeccionado.Fun ao conservatorio e comecei a tocar en asociacións folclóricas en Cedeira, pero tamén me formei pola miña parte, de maneira máis autodidacta: indo a cursos, mirando cousas, experimentando. Sempre digo que o meu punto de inflexión na profesionalidade foi o 27 de decembro de 1997, no que era o teatro García Barbón (Vigo). Toda a etapa de Berrogüetto foi o meu mestrado: vital, profesional e persoal. Foi moi dura tamén. O outro día, observando compañeiras que comezan ou levan dous ou tres anos, decateime do nivel técnico brutal que teñen, que non ten nada que ver co que faciamos nós daquela. Non estabamos formados nin tiñamos tanto cara a onde mirar. Hoxe en día temos moito acceso a todo: tutoriais, aprendizaxe de calquera cousa... Grazas a iso veñen tan potentes. Cando comecei con Berrogüetto non tiña idea de nada. Aprendín a base de turrar e foi duro, mais, por outra banda, sei que nunca vou vivir de novo unha etapa como eses dez primeiros anos nos que, de súpeto, entro no mundo da música directamente no que daquela chamaban o dream team. Viaxabas, tocabas en palcos moi distintos, onde nestes momentos para min sería moi complicado... —Por que o di? Pois porque a música mudou moito, no modo de relacionarse ou da propia exportación. O concepto da música converteuse máis en espectáculo que en cultura. Por iso é moi difícil chegar aos sitios, porque todo é moi custoso. Saír de aquí é moi caro. Antes aínda che pagaban por tocar, agora non. Practicamente ninguén fai contratación. —É isto resultado da mudanza da industria musical coas novas formas de distribución? Non gaña peso o directo? Antes había unha industria que tiña que ver coas discográficas, pero agora non. Tes que gravar, si, porque doutro modo non tes soporte. Ollo, porque non ten que ser un disco. Pode ser un tema, un vídeo, unha performance. Total, hoxe en día todo o mundo grava con estes aparellos [sinala o móbil e a gravadora]. Tampouco a xente a vai escoitar nun sitio cunha calidade enorme. Todo mudou moito. Agora o consumo si que ten máis que ver co directo, malia mantérense moitas escoitas nos reprodutores dixitais, pero iso é todo perda, só fan ganancia as que teñen moita venda. Onde hai industria é no vivo. —Mais afirma que o directo case non se contrata. Na Galiza aínda se contrata algo, mais non todo o que se debería. Entón a xente vese obrigada a facer moitas billeteiras e hai moi poucos concellos que poidan contratar. Tamén hai que ter vontade e a lei non nos ampara moito, pero ese é outro debate. Estando onde estou eu é fácil, mais hai moita xente comezando que precisa saír. —Considera que son esas persoas as que o atopan máis complicado? Si. Xa non para tocar, senón para poder facelo con dignidade. Mais pouco a pouco penso que iso tamén está empezando a cambiar, que se vai producindo unha mudanza do chip. Ser músico, sen ser músico funcionario, como digo eu —nun conservatorio ou nunha orquestra clásica— é moi difícil. Como en todo, hai que traballar moito. —A fin da etapa Berrogüetto foi a necesidade de descansar? Ai, si! Foron moitos concertos, sobre todo aqueles últimos dous anos. Estar nunha banda ten cousas que non vas volver vivir. A responsabilidade recae sobre todo o mundo, non sobre unha persoa. Ademais, as vivencias son moito máis intensas, o que vives coa banda é moito máis... os éxitos e os fracasos compártense. Cando unha está soa, iso é diferente, aínda que eu teño músicos que levan comigo 20 anos, entón tampouco teño esa sensación de estar nunca soa. Pero non é o mesmo. A responsabilidade é túa. Se fago un mal concerto, é Guadi Galego quen fixo un mal concerto, e viceversa. Sempre tes que estar ao 100%. Iso tamén está ben. Gocei moito desta última etapa porque para min era un reto liderar. Sempre o é. Saber facelo e contaxiarlle á xente o que queres, o que sentes, facer as demais parte do proxecto... É complicado. Penso que aí fixémolo ben. Falamos moito das necesidades de cada persoa, pois non todo o mundo ten as mesmas, e hai que atendelas todas. Non é como unha empresa na que a xente ficha a tal hora e marcha a tal outra. Hai quen ten conciliación familiar, ou outro tipo de necesidades. Iso é importante saber xestionalo. —É interesante que diga iso, porque a cara humana que hai detrás de calquera proxecto fica moitas veces invisíbel, cando ten unha importancia fundamental para que funcione o conxunto. Claro. O máis artístico é todo galería. O outro día, mirando un vídeo dos últimos concertos, vía todo o que eu sentía aí reflectido, pero non só en min, en todo o equipo. Hai moito traballo aí, moita charla. As cousas que non gostan tamén se din, como se sente cada un, pois como dicía antes as necesidades e as reponsabilidades de cadaquén tampouco son as mesmas. Saber levar todo iso ao pasar dunha banda a liderar un proxecto foi toda unha experiencia. —E que motivou esa decisión? A necesidade de facer o que eu sentía que tiña que facer. Agora véxoo e foi complicado tomar a decisión de deixar o folk, coller outros proxectos pequenos, moito máis íntimos, e despois xa lanzarme a unha historia propia na que te queres afastar dos xéneros musicais, como na vida. Iso custa. Aínda me preguntaban o outro día: "pero ti que fas?". Eu digo: "Eu teño o meu proxecto". Tería que explicar que fago un pop de autora, un pouco contemporáneo, porque apunta cara á electrónica, pero non deixa de ter ese punto da identidade, da idiosincrasia. —Hai unha vontade por fuxir das etiquetas? Si, estou a tope na vida con iso. Non o soporto, cada vez menos. Pásame ultimamente que vexo unha chea de cousas que teñen que ver con iso. Tamén te cuestionas esa decisión, pois etiquetarse ás veces non é malo. Serve para posicionarte e ás veces hai que facelo. A miña etiqueta téñoa clara: a diversidade absoluta. Entendo que a vida é iso, o conxunto do mundo, na música tamén. Gosto dunha chea de cousas diferentes que me teñen influído e non quero negar o que eu son nese senso. —Falar de referentes imaxino que é complicado, mais cales serían? Teño moitos. O outro día tivemos unha charla coa presentación do libro de Laura Romero, Ferreñas e Rock & Roll, na que ela explicaba que procurando referentes do bravú tivo que poñer un límite temporal. Os referentes adoitan entenderse como pasados, pero todo é relativo, pode ser unha coetánea. —Cales sinalaría no coetáneo? Penso que o referente coetáneo para poder seguir mudando son moitas mulleres. Iso si que o noto moito. Moitas delas mudaron os seus xeitos de estar na música por necesidades e mudanzas vitais, impostas ou decididas. Por exemplo, no caso de Ugia Pedreira, que se viu forzada a deixar a súa carreira e ao final a súa vida atopou outro xeito de facer música e de expresarse, lonxe do palco convencional, como todo o mundo. Hai referentes que te levan a ver que se poden facer as cousas distintas. Por exemplo, no caso de Sés, demostrou que se poden vender moitos tíckets cantando en galego e que non ten que haber medo a facelo, tanto no senso máis industrial como no de empoderarse e facer as cousas ao teu xeito. O modo que tivo Mercedes Peón de expresarse desde a non influencia, ela mesma consigo mesma, facer o dela con esa vangarda sen deixarse influír polos mercados, é tamén inspirador. Ou Uxía [Senlle], co seu contacto coa lusofonía. Todas esas son distintas maneiras de facer e de entender a música totalmente válidas. Porque non hai un só xeito de vivila. Eu agora mesmo estou nesta etapa, pero igual mañá me dá por facer unha xira montada nunha pedra tocando o piano [ri]. Fáloche de catro das galegas, como che podería falar de moitas mulleres que están fóra, por dicirche algo que se poide identificar. Penso moito na xente que hai agora. Porque as que viviron antes tiveron que abrir moitas portas e agora nós estamos a buscar o noso lugar. "A miña etiqueta téñoa clara: a diversidade absoluta. Entendo que a vida é iso" —Esa diversidade está detrás de Immersion como concepto que atravesa todo o disco. Nese senso, os premios non son o máis "importante", mais o da Promoción da Realidade Pluriligüe parece especialmente acaído para o disco. É o premio máis importante que me deron na miña vida. Porque non é un recoñecemento estritamente musical, senón ao concepto de Immersion, das linguas e da diversidade, algo no que eu levo pensando moito tempo para facer un disco así. É un premio social, realmente. Cando me chamaron para comunicarme que mo concedían, explicáronme que os gobernos premiaron non só o concepto das linguas, senón o posicionamento social e feminista do proxecto. E o selo contemporáneo, pois está feito con músicos de moitos xéneros diferentes, en linguas distintas. Iso soa moi ben, pero logo había que pasalo polo filtro dos meus temas e adaptar. Para min foi unha aprendizaxe total, moi bonita. Adaptar ao portugués foi facilísimo, ao castelán relativamente doado tamén. Porén, ao euskera supuxo unha aventura. Fíxoo unha versolari, Ainhoa Aranburu, e está todo rimado e traducido á perfección. Atender esas cousas e que todo encaixase ben foi complicado, mais tamén moi chulo. Estou contenta por ese galardón porque me parece un recoñecemento moi bonito para a miña filosofía de vida, para o que eu son, non só para a miña música. —Que concepción da música se agocha nestas ideas? Eu creo que a música, para min e para moita xente, é un xeito de estar no mundo. Creo que as artes en xeral o son. Tenlle salvado a vida a moitas persoas refuxiarse en calquera tipo de expresión. Por iso é tan importante, como falamos decote a respecto das crianzas, que fagan cousas que expresen os seus sentimentos. Hai quen fai deporte e libera endorfinas, hai quen debuxa ou pinta, ou fai cousas coas mans. Outra xente canta. Falaba con Carme Rei, que é mestra de canto, e dicía: "fago tanta terapia nas aulas..!". A música é liberadora ao estar tan ligada ás emocións. Por iso son tan importantes as artes.Eu son moi proactivismo. Penso que a xente vai mudando os seus días nas pequenas formas de vivir mellor, de cambiar o mundo. Sempre o digo, eu penso que a arte é transformadora social, e así debe ser. Sempre o foi, historicamente, todos os movementos máis potentes están ligados a un proceso artístico. —No caso de Immersion foi complicado sacalo adiante? Chegar e dicir: "quero facer isto"? A xente comigo xa tirou a toalla. Eu digo, vouno facer. Necesitaba facer ese momento, esa catarse, buscar esa sonoridade que a min me apetecía. Houbo momentos en que dicía "estáseme indo a olla", pero ao final convencinme: "vou con todo". —E tivo moi boa acollida. Si. É que subestimamos moitas veces o público. Sempre che din: "Como sempre lle dás iso, se só quere o mesmo". Porén, a xente está moito máis aberta do que pensamos, a moitas máis cousas. O que pasa é que se todas imos polo mesmo camiño e ninguén visibiliza as alternativas... Eu flipo moito co público, para ben. —A súa música ten un fondo claramente feminista. Porén, temas como "Matriarcas" foron controvertidos desde os propios movementos. Cre que coa distancia se entende mellor a mensaxe? Co feminismo teño bastantes debates ultimamente eu comigo mesma. Hai tantas correntes e síntome identificada con moitas. Hai cousas nas que non teño unha postura clara, e penso que non a terei en moito tempo, porque as cousas non son brancas nin negras, e as mulleres non son todas iguais nin teñen as mesmas necesidades nin a mesma historia de vida. Hai moitas cousas que cómpre ter en conta para poder posicionarte. No caso de "Matriarcas" nin mo cuestionei. Fun supercriticada, ás veces por compañeiras, teño que recoñecer que poucas, e no momento sentoume duro, máis que nada porque non se entendía a miña mensaxe. Sigo pensando que o significado do tema vai moito máis alá das mulleres. É unha mensaxe no que elas son as protagonistas, como o levan sendo para min do mundo desde sempre, asociado aos coidados. Eu non entendo a sociedade sen coidados. Que pasa? Que os coidados teñen que pasar ao outro lado e repartirse. Este é un debate moi duro: Como queres estar no mundo? Que queres del? Eu non me sinto identificada co capitalismo como tal, exacerbado, con esa maneira de ter que traballar para producir. Eu teño o meu xeito de estar no mundo, mais tampouco critico os xeitos das demais. So faltaría! Eu fuxo moito das elites. Non gosto dos pensamentos únicos nin das teorías. É moi fácil posicionarse cando tes todo o básico cuberto. Hai cousas moi doadas de criticar, pero moi complexas de vivir e entender. Iso tamén ten moito que ver coa globalización e con como queremos estar no mundo. Hai posturas moi fáciles, como as que teñen que ver cos populismos. —Como valora o momento actual que vive a música galega? Brutal. Estamos nun momento marabilloso. Comezo a ver a moita xente nos concertos, pagando entradas. E hai modelos distintos, cousas máis pequenas e máis grandes. Confío moito en que haxa un rexurdir e que a xente comece a valorar o noso dentro da normalización da música, de xéneros diferentes que se pode vivir aquí desde a diverisdade. —Dentro dese panorama, cales serían as demandas máis urxentes? Para min, o réxime de artistas, que é durísimo. E que haxa un circuíto máis diverso para explorar distintos xeitos de estar e expresar a música. Non se trata de que existan uns cachés altos, senón un circuíto apoiado administrativamente no que traballarmos. É cuestión de profesionalizar, que non te sintas amadora constamemente. En Europa, o réxime está moito máis profesionalizado. Estás creando e mentres tanto cobras. Aquí, na etapa de creción nunca se paga, estás investindo sempre. Non só diñeiro, senón as túas horas.
PRAZA_3371
Os expresións e xestos, aínda que sexan mofa e burlas que non nos fan ningunha graza, pero que ningunha, non é atentar contra o sentimento relixioso. Atentar contra o sentimento relixioso é atentar contra a dignidade humana, contra os Dereitos Humanos
Con motivo do procesameento de Willy Toledo por parte do xulgado de instrución número 11 de Madrid.O xuíz considera un delito contra os sentimentos relixiosos , a raíz dunha demanda formulada pola Asociación de Avogados Cristiáns. Todo isto prodúcese nun momento no que a pederastia de sacerdotes e bispos encubriron. Poñémosnos/Poñémonos moi sensibles e alterados por expresións e xestos que non deixan de ser iso, expresións e xestos.Volvo insistir en que estas expresións e outras, xunto a xestos e escenificacións, entran no mundo da liberdade de expresión, que podemos considerar ás veces como ferintes e de mal gusto e de falta de respecto.O propio xuíz deste xulgado atenta contra os sentimentos relixiosos porque castiga e abre un proceso en nome dun Deus que perdoa. De modo que se atenta contra o sentimento relixioso do perdón e a reconciliación: iso si son sentimentos relixiosos; mentres que a vinganza, o rancor e o odio si atentan contra os sentimentos relixiosos. A propia Asociación de Avogados Cristiáns atenta coas súas demandas o sentimento relixioso da reconciliación e o perdón.EU POÑERÍA :Unha demanda contra o Goberno español de José María Aznar por apoiar e participar na guerra de Iraq por atentar contra o sentimento relixioso da paz.Eu poría unha demanda por atentar contra os sentimentos relixiosos cada vez que por unha demanda dunha entidade financeira se desafiuzase a unha familiaUnha demanda por atentar contra os sentimentos relixiosos cada vez que por unha demanda dunha entidade financeira se desafiuzase a unha familia. Botar á rúa a unha familia é ir contra os sentimentos relixiosos porque hai que defender ás familias, aos menores e aos nosos maiores foron desafiuzados pola inhumanidade social, a indiferenza e a complicidade xudicial, sen aplicar o protocolo de avisar aos servizos sociais ante unha situación de vulnerabilidade. Botar á rúa ,é atentar contra os sentimentos relixiosos.Unha demanda por atentar contra os sentimentos relixiosos por baixar as pensións ou non establecer pensións dignas. Non permitir que os nosos maiores teña un final digno nas súas vidas é atentar contra os sentimentos relixiosos. Cada vez que se di que os nosos maiores son un problema e un estorbo para o sistema financeiro e produtivo é atentar contra os sentimentos relixiosos.Xuíces, xuízas e fiscalía: un sentimento relixioso no ámbito cristián, non entro noutros credos, é algo profundo e fondo que che conmove porque está relacionado coa xustiza, a liberdade, a paz, a tolerancia, o encontro, o diálogo, a solidariedade, o perdón, a reconciliación, a tenrura, a amizade, a bondade, a esperanza, en definitiva, todos eses valores que están recollidos na Boa Noticia de Jesús de Nazaret (Evanxeos) e na Doutrina Social da Igrexa, valores que podemos compartir con persoas doutros credos e humanismos.E cando estes sentimentos relixiosos se conmocionan é porque se atenta contra eles a través do racismo, a xenofobia, a aporofobia (rexeitamento do pobre), o fomento das guerras, o saqueo dos recursos naturais doutros países, a usura das entidades financeiras, o traballo escravo ou en condicións indignas, como poden ser a precariedade, o salario inxusto e o mal trato, a discriminación, a violencia contra as mulleres, os asasinatos...Cando fomentamos un sistema baseado na concentración das riquezas e o poder, como é o sistema capitalista, é atentar contra os sentimentos relixiosos porque é un sistema, como di o Papa Francisco, que mata e asasinaMiren, cando destruímos o planeta e as nosas contornas naturais atentamos contra os sentimentos relixiosos porque se destrúe a creación. Cando fomentamos un sistema baseado na concentración das riquezas e o poder, como é o sistema capitalista, é atentar contra os sentimentos relixiosos porque é un sistema, como di o Papa Francisco, que mata e asasina. Cando manipulamos a información e mentimos nos medios de comunicación é atentar contra os sentimentos relixiosos porque van en contra da verdade.Vostedes son conscientes que a Lei Mordaza vai en contra dos sentimentos relixiosos porque reprime ás persoas para que non se manifesten e protesten? Vender armas é atentar contra os sentimentos relixiosos porque hai que construír a paz, non destruíla. Rexeitar aos refuxiados e inmigrantes, utilizar as devolucións en quente é atentar contra os sentimentos relixiosos porque defendemos a acolleita e a hospitalidade.Ídesme permitir un último exemplo: que vaia unha muller a denunciar por ameazas da súa ex-parella e non se lle faga caso e como consecuencia son asasinadas as súas dúas fillas é atentar contra o sentimento relixiosos porque non se protexe ao máis vulnerable e indefenso. Volvo insistir: os expresións e xestos, aínda que sexan mofa e burlas que non nos fan ningunha graza, pero que ningunha, non é atentar contra o sentimento relixioso. Atentar contra o sentimento relixioso é atentar contra a dignidade humana, contra os Dereitos Humanos.Os expresións e xestos, aínda que sexan mofa e burlas que non nos fan ningunha graza, pero que ningunha, non é atentar contra o sentimento relixioso. Atentar contra o sentimento relixioso é atentar contra a dignidade humana, contra os Dereitos HumanosCando o sistema xudicial na época franquista condenaba a morte á xente ou os encarceraban, aínda que tivesen o crucifixo na mesa e o apoio da xerarquía era atentar contra os sentimentos relixiosos porque se vulneraba o principio de non matarás e non farás dano. Por certo, vostedes son conscientes que o propio Xesús de Nazaret foi acusado de blasfemo, de atentar contra os sentimentos relixiosos do xudaísmo e foi un detonante na sentenza da súa condena a matar? Se len os Evanxeos, verán moitas acusacións deste tipo a Xesús e os seus seguidores.Espero que lles axudase este artigo a discernir o que é un sentimento relixioso, sempre vinculado á xustiza, á vida, a dignidade humana e á defensa da natureza e o que non é. Con este procesamento e outros fan dano á xudicatura, á propia Igrexa, si á propia Igrexa e promove a hipocrosía, o fariseísmo e o nacionalcatolicismo, que tanto dano fixo
NOS_53747
A falta de conexión con outros territorios do Estado facilita que na actualidade o número de doentes aos que se detectou a COVID-19 e se curaron supere desde a pasada quinta feira o dos que aínda están enfermos.
O Goberno español, ao contrario do que sucede noutros países do mundo afectadas pola pandemia da COVID-19, como China ou Italia, está desenvolvendo un modelo de actuación centralista na que practica a mesma política en todos os territorios que o integran, con independencia das súas particularidades e negándose a pechar zonas especialmente afectadas como Madrid ou Catalunya, a pesar da petición expresa do president da Generalitat, Quim Torra. Non obstante, a situación de illamento que a insularidade concede a algúns territorios como as illas Canarias e Baleares está desvelando, co paso do tempo, os seus beneficios en forma de evolución positiva da enfermidade. Tal e como revela Ara Balears, nas illas o número de doentes número de doentes aos que se detectou a COVID-19 e se curaron supere desde a pasada quinta feira o dos que aínda están enfermos, en gran parte grazas á falta de conexión con outros territorios do Estado español. Así, durante a xornada de onte o rexistro indicaba 757 persoas curadas e 648 doentes activos, unha cifra moi inferior aos 931 rexistrados no pico do contaxio, que alí tivo lugar o pasado 31 de marzo. Ademais, a detección de novos casos caeu en 8% durante as dúas últimas semanas. A directora xeral de Saúde Pública do Goberno balear, Maria Antònia Font, confirma que o illamento foi a chave para a positiva evolución da situación nas Baleares, e considera que a superior mobilidade entre as provincias da Península "non contribúe a reducir os contaxios". Importante foi, asemade, a presión do Govern Balear para que o executivo español aprobase –o 19 de marzo- o decreto que limitaría o acceso ás illas só a residentes retornados e embarcacións con mercadorías. Grazas a esta medida, no arquipélago só se rexistraron 12 casos importados de coronavirus e hoxe é a segunda comunidade autónoma con menos mortes (102) e menos casos confirmados de coronavirus (1-507) só por detrás de Murcia.
NOS_55043
O ataque a un mozo de Galiza Nova en Pontevedra polo simples feito de levar unha camisola en que aparecía a bandeira galega coa estrela vermella enmárcase "nun contexto xeral que é o caldo de cultivo para que se xeren este tipo de agresións por parte da ultradereita ou o fascismo", dixo este sábado o responsábel de Organización do BNG, Bieito Lobeira, nunha entrevista na Radio Galega.
A agresión a Pablo B. é a secuela da agresiva retórica antinacionalista coa que se expresan acotío os portavoces de PP, Ciudadanos e agora Vox, considera Bieito Lobeira. "Hai discursos políticos que se fundamentan na intolerancia, no non recoñecimento de nacións, de pobos, linguas diferentes da española, e ese clima antinacionalista que se está a xerar desde distintos ámbitos do estado, desde o PP, desde Vox, desde Cs, cría o caldo de cultivo propicio para que determinados desaprensivos utilicen estes métodos violentos", engadiu. Enfatizou Lobeira que non estamos perante un lance isolado e lembrou que sedes do BNG xa teñen sufrido ataques por parte da ultradereita. "A ultradereita non é só Vox, tamén está incluída no PP ou en Cs", precisou. En todo caso, si que matizou que non acha que estas accións as perpetren militantes desas forzas políticas. "Non creo que haxa militantes do PP, ou de calquera outro signo que eu coñeza, nese tipo de prácticas", esclareceu.
NOS_57348
BNG e AGE pediron a retirada do texto por ficar demostrado, sinalan, que non goza de consenso e que só é apoiado polo Partido Popular.
O PPdeG fixo valer a súa maioría de deputados para, á terceira, validar o mandato marco da Compañía de radio televisión de Galiza (CRTVG). Chegouse a esta terceira votación despois de que na primeira e segunda (nas que era mester maiorías cualificadas) a oposición votase en contra, en desacordo co texto. De feito, e nesta terceira votación, BNG e AGE solicitaron a retirada do documento. Non houbo nesta sesión, ao igual que na semana pasada, debate do texto, embora a oposición pedise que se volvese tratar a cuestión no Hemiciclo da Cámara galega. O portavoz parlamentar nacionalista, Francisco Jorquera pediu a retirada do punto do día sobre a votación argumentando que chegar a "unha terceira votación esixe "repensar o documento e elaborar unha nova redacción". A presidenta da Mesa, Pilar Rojo rexeitou a petición. Foi aí cando todos os membros do grupo parlamentar do BNG ergueron do escano exhibindo un cartaz co lema "O PP secuestra a CRTVG".
NOS_53337
O Hospital Clínico Central de Rusia informou na noite da terza feira do falecemento de Mijaíl Gorbachov, o derradeiro dirixente da URSS, unha das figuras máis destacadas da política do pasado século.
Gorbachov morreu na noite da terza feira, aos 91 anos, "tras unha longa e grave enfermidade", informou o Hospital Clínico Central de Rusia. Os restos do Nobel da Paz, que fora ingresado no centro hospitalario para se someter a unha hemodiálese debido aos problemas renais que sufría, serán soterrados no cemiterio de Novodévichi de Moscova xunto aos da súa muller Raísa. O derradeiro mandatario da URSS foi unha das figuras máis salientábeis da política do século XX. Os partidarios da súa actuación -que puxo fin á URSS- considerárono un reformador que achegou ao pobo soviético democracia e liberdade coa súa política de glasnost (transparencia) e a coñecida como perestroika (reforma). Mais tamén son moitos os críticos co que consideran responsábel da grave crise socioeconómica e da caída da superpotencia. De cando a bandeira soviética pisou a Lúa O interese de Gorbachov pola política comezou de mozo e en 1971 pasou a formar parte do Comité Central do Partido Comunista da URSS. Sete anos despois era nomeado responsábel do sector agrícola a escala estatal, dados os seus coñecementos na materia. En 1980, foi elixido membro do politburó, o máximo órgano do poder executivo da URSS e en 1985 ocupou a secretaría xeral do Comité Central do Partido Comunista da URSS, converténdose en líder do país. Un papel desde o que adoptou profundas reformas baixo o concepto de perestroika, a expresión da súa idea de reorganización e reconstrución económica e política que supuxo a introdución de medidas vinculadas á economía de mercado, así como a entrada da iniciativa privada e de empresas estranxeiras no bloque soviético. Baixo o abeiro da glasnost, xurdiron publicacións independentes e difundíronse programas de radio occidentais e debates do Congreso dos Deputados do Pobo da URSS, nunha época que tamén se caracterizou pola reforma do poder político, até entón centralizado. Unha das medidas máis profundas aprobouse no Congreso en marzo de 1990 e supuxo a creación da figura de presidente, de maneira que o título de xefe de Estado deixou de recaer no secretario xeral do Comité Central do Partido Comunista. Foi entón cando Gorbachov pasou a ocupar a Presidencia. Achegamento aos EUA En materia de política internacional, a etapa de Gorbachov como dirixente da URSS caracterizouse por un achegamento aos países capitalistas e á sinatura de tratados antinucleares cos EUA, a quen o entón mandatario se aproximou. Con Gorbachov no poder, a URSS proclamou a fin da inxerencia nos asuntos internos doutros Estados, incluídos os países do Pacto de Varsovia, o que desembocou nun cambio de poder na maioría dos países socialistas e posteriormente na reunificación de Alemaña. O 16 de outubro de 1990, foi galardoado co premio Nobel da Paz por promover reformas en Europa Oriental e axudar a pór fin á Guerra Fría. O Comité Noruegués destacou entón o seu importante papel na nova relación entre Oriente e Occidente. Unha grave crise As políticas implantadas por Gorbachov supuxeron unha profunda e grave crise na URSS. Cando asumiu o poder en 1985, a débeda externa do país era de 31.300 millóns de dólares, un importe que subiu a 70 300 millóns de dólares en 1991. Expertos economistas atribuíron a crise ao carácter caótico dunhas reformas que levaron a que a reserva de ouro da URSS diminuíse en dez veces. O Produto Interior Bruto reducírase á metade de 1989 a 1998. Os graves problemas na subministración de alimentos levaron o mandatario a aprobar o sistema de cadernos de racionamento. Ademais, en 1991, por primeira vez, rexistrouse unha crise demográfica e a mortalidade superou á natalidade. A poboación rusa chegou a caer en 3 millóns, segundo os datos de 1992, e a esperanza de vida pasou dos 64 aos 58 anos. A caída da URSS Entre os anos 1990 e 1991, moitas repúblicas soviéticas aplicaron medidas para tomar o control sobre as súas economías, chegando a negarse ao pago de impostos ao orzamento da URSS. Para preservar a integridade do bloque, Gorbachov elaborou o proxecto dun tratado que debería dar vida a unha nova federación voluntaria. En agosto de 1991, e en vésperas da firma do novo tratado, un grupo de altos cargos do Goberno da URSS tentaron privar Gorbachov do poder para evitar a desintegración da Unión Soviética. Así, crearon o Comité Estatal de Emerxencia e o 19 de agosto, aproveitando que Gorbachov pasaba as súas vacacións en Crimea, declararon o estado de emerxencia e a suspensión temporal do presidente. Nas rúas de Moscova apareceron tanques e vehículos blindados, mentres Gorbachov quedou baixo arresto domiciliario en Crimea. Neste contexto, Borís Yeltsin, presidente da República Socialista Federativa Soviética de Rusia desde o 10 de xullo de 1991, chamou a poboación a saír á rúa para rexeitar as medidas do Comité Estatal de Emerxencia. Finalmente, o 22 de agosto os organizadores do Comité foron detidos e Gorbachov regresou a Moscova. En setembro, a meirande parte das repúblicas soviéticas xa proclamaran a súa independencia e o 8 de decembro Yelstin e os seus homólogos ucraíno e belorruso subscribían, ás costas de Gorbachov, un tratado que certificada a escisión da URSS. O 25 de decembro, Gorbachov dimitía como presidente. O PPdeG acusa a Unión Soviética da invasión á Ucraína 31 anos após a súa fin En 1996, Gorbachov tratou de voltar á primeira liña da política e chegou a presentar a súa candidatura nas eleccións presidenciais da Federación de Rusia. Yelstin fíxose entón con máis do 35% dos votos, porcentaxe que o levou a reeditar mandato, mentres que o ex dirixente obtivo só o 0,5% dos apoios. Críticas do actual líder do Partido Comunista O pasado ano fixéronse 30 anos da caída da URSS, motivo que levou o actual secretario xeral do Comité Central do Partido Comunista da Federación de Rusia a cualificar Gorbachov de "traidor" pola desaparición do bloque soviético. O 20 de agosto de 2021, Guenadi Ziuganov lembraba que "nestes días cúmprense exactamente trinta anos desde que Gorbachov traizoou o noso país, traizoou os ideais do socialismo, traizoou amigos e aliados, e uniuse á quinta columna que estaba a destruír unha gran potencia, o primeiro estado de traballadores e campesiños do mundo, unha sociedade socialista". Para Ziuganov, "esta traizón resultou ser unha gran traxedia e un desastre para todos nós. E hoxe, trinta anos despois, vémonos obrigados a facer balance, dándonos conta de que todos os principais problemas, desgrazas e traxedias experimentados por cada familia rusa, o noso país e o planeta enteiro no seu conxunto, en moitos aspectos proveñen daqueles tempos fatídicos" en que Gorbachov estivo á fronte da URSS. Ao mesmo tempo, Ziuganov salientaba que "o plan para a destrución do noso país non foi desenvolto polos traidores Gorbachov, Yeltsin, Yakovlev, Shevardnadze, senón polos servizos especiais estadounidenses. Chamouse Proxecto Harvard. Ademais, o primeiro capítulo deste proxecto chamouse 'Perestroika', o segundo, 'Reformas' e o terceiro, 'Liquidación'".
PRAZA_3167
A miña opinión segue a ser que o problema da transición foi dotar de tanta forza aos partidos políticos que coas súas posturas estratéxicas o inundan todo pensando no seu propio ben
Ás veces é incrible a transformación da mensaxe que se produce nalgúns políticos cando chegan a ter responsabilidade de xestión no Reino de España. É entón cando comezan a utilizar nos seus discursos que son "hombres de Estado" ou mesmo estadistas. Cal será a clase de información que manexan? Ou mesmo esa carteira de responsabilidade leva un manual de actuación? Mais seguro que "hombres de Estado" é unha expresión como aquelas da escola, cando xogabas a pillar, e estabas apertado dicías "casa" daba unha vida extra en política esta expresión sortea moi ben dar explicacións a actuacións incómodas.Todo correcto nesta regra do xogo, aínda que non é san para a política, podémola aceptar como parte da retórica, porén o problema e cando a frase tamén afecta á división de poderes. Estamos vendo con varios movementos de órganos do poder xudicial que se está actuando en chave de "hombres de Estado" en decisións que terían que ter unha marcada xestión política na súa solución, como é a cuestión de Cataluña. Non falo de decisións do Tribunal Supremo, que tamén, senón as sorprendentes posicións da Xunta Electoral Central, no relativo á inhabilitación de Torra, é simplemente incrible e a nivel internacional unha vergonza, dito sexa de paso que tamén a actitude de Torra non é a mellor. Non é o xeito de buscar unha solución política, pero a quen lle interesa que siga enquistado o conflito? Aquelas persoas que visten toga, para un correcto servizo á sociedade non poden pensar unicamente en preservar o Estado, teñen que preservar as liberdades.Pode que a intención sexa a protexer ao Estado, tal é como a nosa dogmática Constitución recolle, indivisible. Pero fraco favor se fai á convivencia e á pluralidade cando non se quere tratar a cuestión territorial e nacional que si é unha realidade. Realidade que xa o era cando se constrúe a Constitución, pero que se pasou con coidado polo tema, tendo en conta a conxuntura do momento e sendo "hombres de Estado". Que pasa logo coa perda de soberanía por estar na Unión Europea? É certo tamén que a división de poderes non se pode entender como células illadas que non se interrelaciónan sería facernos trampa. O executivo sae do lexislativo e o xudicial tamén no seu nomeamento. Neste caso a miña opinión segue a ser que o problema da transición foi dotar de tanta forza aos partidos políticos que coas súas posturas estratéxicas o inundan todo pensando no seu propio ben. Un fallo da nosa democracia foi articular tantas medidas de protección á acción partidaria. Por iso cando vexades a un político manifestar que é un home de Estado na realidade pensade que é un home de partido.
NOS_12735
Nunha entrevista co ABC, o historiador Xusto Beramendi cre que a única opción de futuro do nacionalismo pasa por "se refundar radicalmente todo el" nun "movimento" que remita ao Partido Galeguista de Castelao ou ao primeiro BNG.
Xusto Beramendi (1941) -historiador con varios libros sobre o nacionalismo galego no seu currículo e autor de De provincia a nación. Historia do nacionalismo galego, volume co que gañou o Premio Nacional de Ensaio (2008)- entra nunha entrevista co ABC a avaliar o momento que vive o soberanismo galego após o 20D e coa vista posta no actual proceso en curso no BNG. Baixo o seu ponto de vista, o nacionalismo ten hoxe perante si "dúas opcións". A primeira sería a de "refundarse radicalmente todo el nun movimento que, salvando as distancias, poda asemellarse á fundación do Partido Galeguista ou inclusive á fundación do propio BNG, mais con criterios moi diferentes". A segunda sería a de que "unha parte se una ás mareas e a outra fique coa bandeira ergueita, mais cada vez con menos soldados". Beramendi só lle ve futuro á primeira opción, "aínda que haxa que pasar anos de travesía no deserto". O escenario da integración nas Mareas non a aconsella do ponto de vista da preservación do nacionalismo. "Non cabe dúbida de que o abrazo de Anova con Podemos é o abrazo do oso, e se alguén non o ten claro, o oso é Podemos". Beramendi critica o BNG por ter posto o acento no soberanismo: "Ten habido unha certa fuxida cara adiante e intento de mimetismo con Catalunya" Perguntado a respeito de se unha eventual entrada do BNG nas Mareas podería constituír un "erro histórico", Beramendi responde: "En Marea, tal e como se formou, é un mal camiño para a supervivencia do nacionalismo, e niso non coincido co meu amigo Beiras. Falo do ponto de vista do nacionalismo, se callar é un instrumento moi útil para unha transformación da sociedade. Non o sei". Na entrevista Beramendi tamén achega os seus pontos de vista sobre a situación do BNG após o 20D. Lembra que no seu momento "cando o BNG estaba na cúspide" [reférese ao período en que a formación frentista (1997-2005), foi segunda forza no Parlamento galego] el xa chamara a atención sobre "que no deseño do partido había unha serie de elementos que podían funcionar como unha bomba de reloxaría a meio prazo, como o excesivo dominio da UPG na súa estrutura ou o facto de que fose unha formación nidiamente de esquerdas nunha sociedade que non o era tanto". Critica Beramendi tamén o acento que nos últimos tempos o BNG ten posto no soberanismo: "Creo que ten habido unha certa fuxida cara adiante e un intento de mimetismo con Catalunya. Mais Galiza non é Catalunya e isto que parece unha obviedade algúns aínda non o saben".
PRAZA_14926
Agora que amainou a tormenta político-xudicial acerca do itinerario procedimental da tentativa de imputación pola Audiencia Nacional dos participantes nos actos do 25-S, compre deitarmos unha ollada, a poder ser serena, sobre os feitos. Mais evitando pór o foco sobre o síntoma e tentando botar luz sobre a doenza sistémica: a existencia e mantemento nun Estado de Dereito dun tribunal especial.
Agora que amainou a tormenta político-xudicial acerca do itinerario procedimental da tentativa de imputación pola Audiencia Nacional dos participantes nos actos do 25-S, compre deitarmos unha ollada, a poder ser serena, sobre os feitos. Mais evitando pór o foco sobre o síntoma e tentando botar luz sobre a doenza sistémica: a existencia e mantemento nun Estado de Dereito dun tribunal especial. A pretensión da policía e dos seus responsábeis políticos de residenciar a competencia da causa penal aberta aos promotores dos actos do 25-S na Audiencia Nacional tivo unha consecuencia positiva: unha reacción social de fonda crítica fronte a tal desmesura O certo é que a relevancia mediática dalgúns sucesos fan que a cidadanía volte o seu ollar para institucións que até o momento non eran obxecto dun xeneralizado interese social mais que acadan un lugar central no debate político… durante un breve periodo de tempo e dunha forma moi vinculada ao plantexamento mediático. A pretensión da policía e dos seus responsábeis políticos no Ministerio de Interior de residenciar a competencia da causa penal aberta aos promotores dos actos do 25-S na Audiencia Nacional (e o seu rápido rexeitamento por un dos xuices deste tribunal especial) tivo unha consecuencia positiva: unha reacción social de fonda crítica fronte a tal desmesura. Pode que sexa o momento, aproveitando a indignación popular, de facer pedagoxía da febleza das liberdades públicas no Reino de España e de ampliar a crítica do síntoma á doenza. Porque estamos tan afeitos a ver subir e baixar as escaleiras da audiencia nacional como se se tratase dun tribunal máis que a súa excepcionalidade pode acabar por pasar desapercebida. O hábito fai que esquezamos, ou esqueceramos até o 25-S, que a audiencia nacional foi creada por REAL DECRETO LEY 1/1977 o mesmo día (4 de xaneiro) que se suprimiu o Tribunal de Orde Pública franquista, encargado de reprimir a oposición á Ditadura, e que naceu portanto como sucesora directa de tan nefando órgano político-represivo. A audiencia nacional foi creada por REAL DECRETO LEY 1/1977 o mesmo día que se suprimiu o Tribunal de Orde Pública franquista, encargado de reprimir a oposición á Ditadura, e que naceu portanto como sucesora directa de tan nefando órgano político-represivo Infelizmente tamén esquecemos, ou esqueciamos até finais de setembro, que a audiencia nacional contraría o dereito fundamental ao xuiz natural , ainda que o Tribunal Constitucional fixese miragres técnicos para adecuala a Constitución. Tivemos que esperar a finais de setembro para lembrar que o catálogo de delitos residenciados neste tribunal especial son aqueles máis directamente relacionados coa disidencia coa forma do estado, como os chamados delitos contra a Coroa e Altos Organismos do Estado o que sen dúbida abona a tese da especialidade política deste tribunal. A audiencia nacional é un tribunal sen analoxías no dereito comparado (cuestión silenciada polos seus defensores) na liña da febleza das institucións do noso Estado de Dereito. Non hai órganos semellantes en Portugal, no Reino Unido ou na Alemaña. Tampouco en Francia despois da derrogación en 1981 da Court de Sureté de L´Etat. Nen sequer Italia, berce das teorías da excepcionalidade, conta con "algo" semellante á Audiencia Nacional. Confiemos en que a evidencia de novos síntomas da doenza faga mais visibel socialmente a febleza do noso estado de dereito. Entretanto, seguirán comparecendo cidadáns e cidadás perante este tribunal excepcional Sempre é tempo de voltar á ollada cara ás doenzas do noso estado de dereito. A audiencia nacional é unha delas. Confiemos en que a evidencia de novos síntomas da doenza faga mais visibel socialmente a febleza do noso estado de dereito. Entretanto, seguirán comparecendo cidadáns e cidadás perante este tribunal excepcional e organismos defensores das liberdades públicas, como Esculca, terán que continuar denunciando a existencia deste órgano xudicial e intervindo para limitar as consecuencias contrarias aos dereitos fundamentais derivadas da práctica procesual deste anómalo tribunal.
NOS_16910
Representantes do persoal, oposición e sindicatos denuncian os recortes en persoal, a sobrecarga de traballo, que teñen graves consecuencias.
José Manuel B. B, de 64 anos, faleceu esta fin de semana cando se atopaba no PAC da Estrada e sen poder recibir asistencia médica ao estar o único facultativo fóra do centro para atender unha urxencia. Desde o entorno da propia familia da persoa falecida sinalan os recortes na sanidade pública galega como factor que deriva nestas graves consecuencias. Desde 'PACs en pé de guerra' –colectivo de traballadores destes centros- lembran que "vimos denunciando desde hai meses a falla de persoal" e que reivindicaron perante o Sergas "que se cubrisen todos os PAC con equipos completos Enfermeira/o-Medica/o e a revisión dos plans funcionais de cada centro, por considerar que estamos traballando con recursos mínimos". Mais esas peticións non foron atendiddas: "Atopámonos que no verán, onde a carga asistencial e a poboación aumenta, o persoal co que estamos a traballar é inferior ao do resto do ano". O que implica "a sobrecarga e recorte de dereitos nun persoal extenuado e que xa non pode mais". Para a oposición non hai dúbida de que estamos perante un feito "moi grave". BNG e En Marea queren a comparecencia do conselleiro de Sanidade para que dea explicacións. A nacionalista Montse Prado indicou que os propios profesionais advertían de que a falla de persoal podía ter consecuencias graves. O PAC da Estrada ten como cadro un médico e un enfermeiro e con esa dotación (que se reforza en festivos, fins de semana… copnoutro médico) deben atender una poboación de case 21.000 habitantes. Desde o PSdeG tamén se sumaron ás denuncias: "O déficit de persoal no período estival acaba tendo consecuencias sanitarias graves", segundo Leiceaga. Desde CIG-Saúde sinalan a "política de aforro" do Sergas como responsábel. Lembran que hai "queixas sistemáticas" pola falla de cobertura do persoal sanitario
NOS_29711
Poesía galega postrobadoresca, datada entre 1380 e 1430, asignada a Afonso Paez. "En cadea sen prijon" é o título do volume editado polo profesor Henrique Monteagudo despois da singular aparición dun novo cancioneiro para a lírica galega. O achádego, ao seu ver, é histórico en tanto que descobre que a poesía galega continuou mesmo "despois do apagamento da escola lírica galego-portuguesa". Ao seu ver, algunha das súas composicións merecen tomar parte nas antoloxías da nosa poesía.
-Como foi o achádego do Cancioneiro de Afonso Paez? A descuberta foi realizada en 2011 por Dolores Pereira Oliveira, do Arquivo Histórico Provincial de Lugo, e Gabriel Quiroga, daquela Director do Arquivo de Galicia. Estaban a revisar un rico fondo documental propiedade de dona Pilar Iglesias Osorio, un fondo que proviña dunha rama da familia Osorio, unha das máis relevantes da nobreza galega da idade moderna, aparentada cos Pita da Veiga, os Andrade e os Lemos. Ese fondo contén documentos de distinto tipo desde o século XV en diante. Sorprendeulles atopar polo medio uns textos en verso galego, xuntos a uns instrumentos notariais labrados en Ferrol entre 1432 e 1435. Gabriel pediume que informase sobre a antigüidade, carácter e valor filolóxico daqueles textos. Ao comprobar a súa data e ver que eran totalmente inéditos, decateime inmediatamente de que estabamos ante un testemuño excepcional do cultivo poético do galego nos finais do século XIV e comezos do XV. A sospeita inicial converteuse en certeza ao analizar a súa lingua e comparalos coas composicións coetáneas contidas no Cancionero de Baena, compilado en 1435.E, por certo, o achado demostra a importancia de contar cun bo corpo profesional de arquiveiros, que fan un traballo magnífico e pouco lucido, pero que resulta fundamental para a conservación e valorización do noso patrimonio, tamén el ameazado pola política de recortes dos servizos públicos. -Por que se atribúe a Afonso Paez? Despois dun estudo minucioso (e laborioso) do manuscrito, cheguei á conclusión de que era acéfalo, isto é, que lle faltan unha ou varias follas ao comezo. Dado que as composicións non veñen atribuídas aos seus presumibles autores (como acontecería se o cancioneiro fose unha recompilación de varios poetas), é loxico supor que son todas elas dun mesmo autor, e que o nome deste debía figurar ao comezo do manuscrito, no folio ou folios perdidos. Pero ao final do manuscrito recóllense dous poemas, unha 'pergunta' e unha 'resposta', que si aparecen co nome de cadanseu autor: Afonso Paez (ou Perez) e Johan Garcia. Observei que nos cancioneiros da época, este tipo de composicións adoitan ir agrupadas cos poemas do autor que fai a pregunta; neste caso, todos os poemas serían de Afonso. Pero non é máis ca unha hipótese plausible, que, a falta de mellores argumentos, coido que debe aceptarse. -Que relevancia ten para a nosa historia literaria a aparición destes textos? O cancioneiro testemuña que, contra o que se pensaba, o cultivo poético do galego permaneceu despois do apagamento da escola lírica galego-portuguesa, isto é, despois de 1350. E non só nas cortes de Castela e en man de poetas basicamente casteláns, senón tamén en Galicia e por poetas galegos. Isto é extraordinario, se pensamos que en Portugal non temos case ningún exemplo de poesía desde 1350 ata case a metade do século XV. Por outra banda, a poesía en castelán dese período, recollida no Cancionero de Baena, ten un carácter ben distinto aos textos que acabamos de traer a lume. En realidade, o descubrimento ten unha grande importancia para toda a historia literaria peninsular. -O conxunto poético descuberto pertence a un periodo que non era especialmente vizoso en relación á etapa de esplendor da escola trovadoresca, que supón para o corpus medieval este achádego? O Cancionero de Baena (compilado en 1435 e que chegou a nós nunha copia de 1460) recolle unhas 80 composicións nun galego moi deturpado, case todas escritas polo castelán Alfonso Álvarez de Villasandino e o andaluz Garci Fernández de Gerena. Só recolle dous poetas galegos e en galego (Macías e o Arcediago de Toro), con escasamente dez textos, como dixen moi deturpados lingüísticamente. A maior parte destas composicións son cantigas amorosas, xa ben afastadas do gusto trobadoresco galego-portugués. O cancioneiro de Afonso Paez mostra maior proximidade temática á vella lírica galego-portuguesa, sobre todo no aspecto amoroso (claramente predominante), aínda que tamén incorpora cousas novas. O máis notable, porén, é que se trata non de cantigas (poemas musicados), senón de dizeres, isto é, poemas para ser lidos. Ata agora pensánbase que a decadencia do cultivo poético do galego era estritamente paralela ao abandono da poesía cantada e da voga da poesía recitada, xa en castelán. Haberá que revisar tamén ese punto. -Trátase de poesía basicamente amorosa mais conta cun texto relixioso que vostede califica de singular. Afirma que ten que pasar a formar parte das antoloxías da literatura galega. En que fundamenta a súa relevancia? O poema piadoso, considerablemente longo (máis de cen versos) é literariamenteo máis logrado e novidoso, pois responde a unha tradición completamente diferente ás Cantigas de Santa Maria de Afonso X o Sabio. Trátase dun tipo de composición relacionado co arrepentimento ante a inminencia da morte, unha especie de confesión en verso, moi notable tamén pola súa intensidade emotiva. Realmente, na literatura galega medieval non se atopa nada parecido a este extraordinario poema. -Algunhas liñas de investigación defenden que a lingua das cantigas é unha koiné, un rexistro formal distinto da fala, ocorre o mesmo con este cancioneiro ou evidencia a lingua da época? A lingua do manuscrito, igual que a do Cancioneiro da Ajuda e o Pergamiño Vindel (coas cantigas de Martin Codax) é un reflexo fiel do galego da época (nun rexistro literario, claro está), no caso destes da segunda metade do século XIII, no caso do noso cancioneiro da primeira metade do século XV. Téñase en conta que o groso da lírica trobadoresca nos chegou mediante unha compilación feita en Portugal a mediados do século XIV, e claramente (aínda que só superficialmente) lusitanizante, mentres que os textos do Cancionero de Baena e outros chegados a través de cancioneiros casteláns están lingüisticamente moi deturpados.
NOS_36624
Debuxante de Banda Deseñada, cando afundiu o Prestige traballaba nun xornal. Como outr@s coa mesma profesión pensou en como participar na protesta contra o que acontecía. Nada mellor que facer o que máis lle prestaba. Nacía o Colectivo Chapapote que editou o libro H2Oil.
Como foi a experiencia do Colectivo Chapapote? Máis que de concienciación artística foi de concienciación cidadá. O que vén sendo hoxe o 15-M vencellado ao feito do afundimento do Prestige. Decatámonos de que para facer ruído o mundo da Banda deseñada era un mundo que podía tratar de maneira rápida e clara o que estaba sucedendo. Sen ningún tipo de organización, foi todo moi pouco premeditado. Empezamos a falar entre nós, a xente interesada en facer algo. Tiñamos moita comunicación entre nós, o que logo sería a Rede Galega, e decidimos achegar o noso grao de area. Fixemos postais, páxinas dixitais, bandas deseñadas, mesmo algunhas accións na cidade de Pontevedra onde animábamos a xente a pintar e a plasmar con imaxes o chan da praza da Ferraría, con pintura negra en plásticos inmensos o que estaba sucedendo. Foi a primeira vez que a banda deseñada se uniu á denuncia social e política. A banda deseñada sempre estivo desvinculada deste tipo de accións e por primeira vez toma partido e reivindica algo que sempre facían músicos, escritores ou cineastas. "Quedou a sensación de grupo, que había xente organizada que podía conseguir cousas" No seu caso como tratou a catástrofe? Xa traballaba na prensa daquela. Tentaba cada certo tempo sacar algunha viñeta referente aos temas políticos ou todo o que supuña para a xente do mar como a propia fauna mariña galega. Facía denuncia e concienciación. Fóra do xornal comecei a facer viñetas humorísticas máis politicamente incorrectas. Daquela non existían revistas satíricas e atopamos na Rede e na produción a maneira de transmitir este tipo de mensaxes. Os xornais non os trataban ou tapaban. Funcionamos, sobre todo vía internet. Aínda que non existían as redes sociais moveuse moito. A xente empregou estas imaxes para manifestarse. Era unha maneira de facerlle chegar á xente mensaxe que doutro xeito sería moito máis complexo. "Cando se afundiu o petroleiro non había censura, logo cando o problema ecolóxico e social pasou a un segundo termo e apareceron as cuestións políticas, cada xornal puxo os seus límites" Había censura no medio en que traballaba? A censura que existe en todos os medios de comunicación. Uns dependen de subvencións, outros de anunciantes privados e todos teñen os seus límites. Cada editor decide en que termos conta as cousas. Por iso existen as revistas satíricas que non teñen eses problemas. Cando se afundiu o petroleiro non había censura, logo cando o problema ecolóxico e social pasou a un segundo termo e apareceron as cuestións políticas cada xornal puxo os seus límites. Tiñamos a sorte que xa existía internet daquela e contamos moitas máis cousas. Cando traballas nun xornal sabes até onde podes chegar e como lle buscar a volta para contar o que queres contar. Que quedou daquela primeira experiencia colectiva? Quedou a sensación de grupo, que había xente organizada que podía conseguir cousas. Despois xurdiu a Asociación de Ilustradores, con colectivos como Bdbanda ou Polaqia. Vimos desde outro punto de vista traballar en equipo. Coido que se nalgún momento pasase algo semellante, a banda deseñada galega estaría aí para denunciar. Nas historietas de unha páxina atopamos a fórmula con que achegar información rápida á xente.
NOS_12416
Malia a intención do Partido Popular de impedir a súa realización, finalmente as manifestación convocadas pola CIG para esta tarde terán lugar. A Xunta Electoral de Lugo, declarouse incompetente para resolver a denuncia presentada polo PP na que pedían que estas se prohibisen.
A XEP argumenta que só ten competencias dentro do período de campaña electoral, que enceta esta medianoite, e que mentres é a Subdelegación d Goberno a que ten atribucións para autorizar mobilizacións. O Partido Popular solicitaba que se suspendese o exercicio dun dereito fundamental como o de manifestación baixo o argumento de que as manifestacións convocadas pola central sindical nacionalista "desaconsellan o voto a unha formación política". Aliás, a convocatoria contaba xa coa autorización das subdelegacións do Goberno. Desde a CIG afirman que "non deixa de ser curioso" que a denuncia fose presentada polo PP, dado que esa forza política xa recibiu sete resolucións da Xunta Electoral por comportamentos que vulneran a normativa electoral. Asemade, a CIG fai un chama "a participar de forma máis activa, se cabe, nas mobilizacións convocadas para esta tarde en toda Galiza, exercendo o dereito á liberdade de expresión e de manifestación" que segundo afirman o PP "vén poñendo en cuestión desde a súa chegada ao poder". Sétimo incumprimento do PP da LOREX coa campaña inda por iniciar Como xa se sinalou o Partido Popular acumula xa sete incumprimentos da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, LOREX. Así o sinalan as resolucións da Xunta Electoral, organismo que vén de emitir un novo ditame no que prohibe que a conselleira Beatriz Mato e a concelleira do PP en Compostela, Paula Prado, realicen máis visitas propagandísticas como a realizada ao Centro Integral de Recuperación da Muller en Santiago o pasado 24 de setembro
NOS_21259
Fernández Leiceaga considera que sería "unha mala estratexia de negociación" aceptar un acordo precipitado con Audasa.
2021 comezou cun sorpresivo aumento das portaxes da AP-9 (0,92%), unha das tres únicas autoestradas do Estado español que incrementou as súas tarifas no canto de reducilas. Esta nova provocou as protestas do sector do transporte na Galiza, así como no BNG, formación que pactara a rebaixa das portaxes no acordo de investidura co PSOE en xaneiro do pasado ano para dar resposta a unha demanda histórica das nacionalistas. Agora as socialistas piden "un pouco de paciencia" nas negociacións do Goberno estatal coa concesionaria Audasa para alcanzar un bo acordo sobre a rebaixa das portaxes que permita ofrecer unha solución até 2048, ano en que remata o contrato actual. "O orzamento aprobouse hai menos de 15 días e agora pídese que ao día seguinte estea isto resolto", expresou esta terza feira o coordinador do PSdeG no Senado e presidente do partido no país, Xoaquín Fernández Leiceaga. Asegurou que a única forma de resolver esta situación o antes posíbel sería "asinar o que poña diante a empresa", e considerou que iso non sería positivo "nin para Galiza nin para as galegas nin para as usuarias da AP-9". Alén disto, engadiu que se debe "negociar con Audasa" porque calquera decisión "unilateral" podería ser "cuestionada polos tribunais", e salientou que "pór calendarios moi concluíntes" sería "unha mala estratexia de negociación" porque podería "obrigar" a materializar o acordo cando é menos conveniente. O senador lembrou que a prórroga da concesión a Audasa até 2048 foi "unha decisión" do Goberno de Mariano Raxoi que contou cunha postura "cómplice" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. "A dificultade que ten esta cuestión hoxe pasa porque hai que atender a situación até ese momento, quedan 27 anos e hai que reflexionar, hai que financiar o uso da AP-9 por parte das condutoras recorrentes", indicou. Partidas incluídas nos Orzamentos Xerais Cómpre salientar que os Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2021 inclúen partidas por valor de 50 millóns de euros para rebaixar as portaxes da AP-9, aos que habería que sumar 1,5 millóns para a liberalización do treito Vigo-Redondela e outros 3,4 millóns para evitar a suba acumulativa anual de 1%. Así mesmo, o documento contempla tamén unha partida superior aos 8 millóns de euros para manter a supresión das portaxes nos tramos Vigo-O Morrazo e A Coruña-O Barcala, vixente desde 2006.
NOS_1807
Unha maioría do pleno do Congreso das Deputadas apoia a convalidación do decreto lei que derroga o despedimento obxectivo por acumulación de baixas médicas xustificadas.
A maioría dos grupos, entre eles PSOE, Unidas Podemos, BNG, Esquerra Republicana e Ciudadanos, apoiaron esta cuarta feira no Pleno do Congreso a convalidación do decreto lei que derroga o despedimento obxectivo por acumulación de baixas médicas xustificadas. Ademais de apoiar a derrogación do citado artigo do Estatuto dos Traballadores, varios grupos de esquerda da oposición parlamentar reclamaron ao Goberno que leve máis lonxe esta acción e derrogue a reforma laboral aprobada polo PP en 2012. "Nin nunha situación de pandemia derrogárona... Cantas vidas valen os multimillonarios beneficios das empresas que se negan a pechar?", preguntouse Mireia Vehí, que afeou á ministra de Traballo Yolanda Díaz que inste a "primeiro curarse, e logo traballar", cando nunha situación de pandemia permiten que as obras de construción, entre outras actividades, sigan funcionando. Tamén o deputado do BNG, Néstor Rego, e o de ERC, Gabriel Rufián, reclamaron esta derrogación, botando en falta "máis valentía" do Goberno para facer cumprir "algo co que se comprometeron en tantos discursos", dixo o deputado independentista, que pediu unha derrogación "directa" e "total", tendo en conta "a crise económica, filla da crise sanitaria" que está por chegar. O deputado galego incide na defensa da necesidade de "derrogar as reformas laborais, todas e na súa totalidade", para así "recupar os dereitos que foron roubados á clase traballadora galega e avanzar para outros novos". Aliás, afirmou que manter o marco laboral propiciado por esas reformas supón, nun contexto de crise industrial, "como o galego", "que sigamos convivindo coa precaridade laboral". Durante o debate nun hemiciclo practicamente baleiro, con apenas unhas corenta deputadas polas medidas de prevención dos grupos pola expansión do coronavirus, unicamente Vox manifestouse contra a derrogación, chegando a recorrer a súa deputada María dos Reyes Romero, que tachou de "experimento" esta medida, á quenda en contra do Goberno. Un argumento contraposto polo socialista Omar Anguita, que lembrou que "se a escusa" para opoñerse ao decreto lei é o absentismo, esta causa xa se contempla para proceder a un despedimento disciplinario. Pola súa banda, o deputado popular Diego Movellán criticou que, ao aprobar o decreto, celebráse como unha derrogación parcial da reforma laboral, cando o decreto era moito máis anterior, aínda que asegurou que o PP non se opoñerá á convalidación. Isidro Martínez Oblanca, de Foro Asturias, cuestionou o alcance da medida, xa que as traballadoras poden seguir sendo despedidos por esta razón, só que non de forma obxectivo, limitándose por tanto o cambio a que no canto de ser unha indemnización de 20 días por ano traballado, será de 33 días.
QUEPASA_819
A figura xa forma parte da renovada contorna do Fórum.
Carballo lembrará para sempre ás vítimas da COVID-19 a través dunha escultura titulada "Mágoa", obra do artista local Fabián Lage, que pretende ser unha crítica ao capitalismo salvaxe e ao mesmo tempo promover, en palabras do seu autor, "un pensamento colectivo de cambio". A madeira do ciprés derrubado por un temporal na Praza do Concello volve a ser a materia prima dunha peza artística, pero nesta ocasión rexorde tamén como o tronco centenario ao que agarrarse en tempos de incerteza. A escultura, encargada polo concello de Carballo, foi inaugurada onte na zona axardinada do Fórum e xa forma parte dun espazo que foi obxecto dunha profunda transformación nos últimos anos "pensando no futuro, pensando en que a xente debe ter algunha oportunidade para demostrar as súas capacidades", subliñou o alcalde, quen convidou á veciñanza a desfrutar da obra artística e da súa contorna e apelou a defender "os valores que nos teñen que definir como persoas". Evencio Ferrero e Fabián Lage descubriron a obra en presenza de varias decenas de persoas, que destacaron a calidade artística e simbólica de "Mágoa", que o seu autor define coma unha escultura "de corte fantástico que lembra en certo xeito á viñeta dun cómic e que retrata a imaxe dun futuro apocalíptico e, á vista dos acontecementos recentes, dun presente profetizado en incontables ocasións". Unha figura feminina de "beleza enfermiza" é o centro da composición, na que destacan as mans como nexo de unión entre as pezas e fundamento filosófico da obra e a máscara, "unha clara homenaxe a todas as vítimas da COVID-19, moitas das cales abandonaron este mundo a mans dunha cruel enfermidade que non deixou que marchasen arroupados co agarimo dos seus seres queridos", engade Fabián Lage.
NOS_28124
Embora que a maioría da actividade nas quendas de noite é en sectores masculinizados, houbo importantes seguimentos da greve - por riba de 90%- das traballadoras de Denso, Plastic Omnium ou a planta de Einesa nas Pontes. No Sergas só se cumpriron os servizos mínimos.
A greve xeral de mulleres do 8M xa é unha realidade. Embora nas quendas de noite o seguimento estar condicionado polo feito de que a actividade se desenvolve en sectores moi masculinizados e nos que boa parte da quenda a realizan os homes, houbo importantes apoios á folga. Así, informan desde a CIG, nos hospitais da rede do Sergas só se cubriron os servizos mínimos, tanto no que ten a ver co persoal sanitario como nos servizos da limpeza hospitalaria. Nos sectores máis precarizados e feminizados da administración, como son os centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (residencias de maiores, centros de día e escolas Galiña Azul), o paro é masivo e un éxito rotundo, cinguíndose exclusivamente a cubrir os servizos mínimos impostos polo Goberno galego, segundo a CIG. Na zona de Vigo, os primeiros datos sinalan que nesta quenda están parando 90% das traballadoras de Alonarti, Denso, Domiberia, Grupo Copo e Plastic Omnium. Salienta o sindicato a incidencia en empresas como GKN, Marsan, BorgWarner, Asientos de Galicia, Viza, Alymosa, TRW, ou Carchidea. Outras nas que está a ter impacto son algunhas de alimentación como Frigolouro, Cerqueira, Valcárcel, Orbe, Fandicosta, Mascato ou Conservas Rías Baixas e do téxtil como Bimba y Lola, Pili Carrera, Paz Rodríguez e Selmark. De igual xeito, rexístrase un elevado seguimento en empresas importantes do sector dos centros de chamadas como Bosch e Unísono. Zona de Pontevedra, a greve nótase, informa a central nacionalista, en empresas de frío industrial situadas no Porto de Marín como Marfrio ou Cabomar. En Treves, firma do sector da automoción, o seguimento está a ser total, mentres que en Ferrovial, concesionaria da limpeza viaria sitúase en torno a 80%. No caso de Acciona, que ese encarga da limpeza dos hospitais Provincial e Montecelo baixa a 40%. Na área da Coruña déixase notar na administración pública, pois están pechados todos os centros cívicos da cidade, a Casa Casares e a Casa María Pita. E tamén parte das traballadoras de axuda a domicilio se sumaron ao paro. Agárdase un seguimento importante no comercio e no comedor de Zara Loxística a maioría das traballadoras van á greve, polo que non se poderán dar comidas. No sector industrial, as traballadoras de Celsa Atlantic da Laracha tamén foron á folga e 50% da traballadoras de Ferroatlántica de Cee. En Extel e Atento, dúas das grandes empresas do sector de atención telefónica da Coruña, o seguimento supera o 85%. En Compostela, 100% das traballadoras da cafetería do Hospital Clínico non acudiron aos seus postos. Arredor de 90% das empregadas do Concello de Santiago están en folga e máis de 50% das traballadoras de axuda no fogar do Concello de Brión e Ames. Caso salientábel o da condutora do lixo de Sogama, a única muller que hai neste servizo, que tamén está facendo folga. Na zona da Barbanza, e segundo CCOO, houbo importante seguimento do pao na quenda de noite da conserveira Jealsa, das máis importantes de Galiza. En Ferrol a esta hora o paro séntese entre as mulleres que traballan nos estaleiros de Navantia, onde houbo un piquete informativo ás portas da antiga Bazán, na fábrica de Einsa (As Ponte) e na planta de Indipunt (Narón). Rexístrase paro tamén en Arteixo Telecom, na Administración local, nas oficinas de Correos e en tres residencias da comarca o seguimento é do 100%. Na provincia de Lugo, nas residencias de maiores de Outeiro de Rei, Castro de Rei e Abeiro Gold hai un importante seguimento da folga, tal e como acontece tamén en Abante BPO, empresa do sector dos centros de chamadas e unha das máis grandes da cidade. En Monforte a folga de mulleres estase sentido amplamente no servizo de axuda no fogar e entre as traballadoras do Concello. En Ourense, a folga de mulleres faise notar en empresas do sector dos centros de chamadas como Unitono e Contacnova ou en compañías da industria aeronáutica como Coasa. A greve non é só laboral, senón que o movemento feminista convoca tamén a folga de consumo, de coidados e estudantil. Nos campus universitarios galegos hai un movemento moito menor ao que é habitual por mor do seguimento da folga. Feche na USC Estudantes da USC proptagonizaron na noite da quinta a sexta feira un feche non mixto na Facultade de Psicoloxía. Un acto para denunciar a violencia nas aulas e a inseguridade nos campus, para alén de demandar unha "resposta real" ás agresións. Xunta A Xunta cifra o seguimento da greve na dministración pública en 12%. Por ámbitos sectoriais, cifra nun 9,55% o seguimento en educación, nun 10,14% en sanidade e nun 18% na administración de xustiza. Mobilizacións. Hora e lugar A Coruña: 19.30h. Obelisco. Ames: 12h Praza do Concello Allariz: 12h. Praza da Barreira. A Estrada: 12h. Praza do Mercado A Guarda: 12:30H. Praza do Reló A Pobra de Trives: 19h Casa do Concello. As Pontes: 12h. Praza do Concello. Baiona: 11.50h. Quedada no Peirao de Baiona para ir á concentración na Ponte da Ramallosa (13h.). Betanzos: 12h. Praza da Constitución. Bueu: 12h. Casa do Concello. Burela: 20h. Estación de Tren. Cangas do Morrazo: 20h. Praza do Concello. Carballo: 20h. Xulgados Cee: 12:30. Praza 8 de Marzo Chantada: 12h. Praza Galiza. Castro Caldelas: 17 h. Praza do Prado Cedeira: 12h diante do concello Compostela: 11.30h. Treboada Feminista. Manifestación 20 h. Praza 8 de marzo. Cuntis: 19.30h. Centro Saúde. Ferrol: 19h. Praza Amada García. Gondomar: 11.50h. Encontro para ir á Ramallosa. Praza de Abastos. Lalín: 12h. Praza da Igrexa. Marín: 20.30h. Praza Concello. Melide: 20h. Praza do Convento Miño: 12.30h. Rotanda da Rúa Raxel. Moaña: 12h. Praza do Concello Monforte: 20:30h. Praza España Nigrán: 11.50h. Encontro para ir á Ramallosa. Noia: 20h na Praza do Concello O Barco de Valdeorras: 20h. Escoita as mulleres de Valdeorras na Praza do Concello Ortigueira: 12h. Diante do Concello. Ourense: 13h. Concentración e xantar Praza Maior. 20h. manifestación desde a Subdelegación do Goberno. Padrón: 20h na estatua de Rosalía Poio: 15h. Xantar colectivo no Fogar Armadiña. 17h Plantación de plantas lilás no fogar. Asistencia á concentración da mañá e á manifestación da tarde en Pontevedra Ponteareas: 12h. Praza Bugallal. Pontevedra: Concentración 13h. na Praza da Ferraría. Manifestación 20h. Praza do Hospital. Redondela: 12h. e 19h. Praza da Constitución Rianxo: 20h. Praza Castelao. Ribadeo: 12h. Praza 8 de Marzo. 18.15h. saída do aparcadoiro de San Lázaro para manifestación en Burela ás 20h. San Cibrao: 19.30h. Porto, saída cara a Burela para acudir á manifestación das 20h. Trabada: 18h na Praza do Concello. Valadouro: 10:30h. Tendal de mandís Viana do Bolo: 12H. Praza Maior Vicedo: 18h. Porto. Saída para Burela. Vilamartín de Valdeorras: 11:30h Praza do Concello Vigo: 20h. Praza España. Vimianzo: 20:30h Praza do Concello. Vilagarcía: 20.00h. Praza de Galiza. Vilalba: 12.30h. (Praza Circular) e 20.30h. (Praza Constitución) Viveiro: 12h. Praza Maior. 18.30 horas, saída para Burela. Xove: Xuntanza de mulleres, 17h. local das Bolboretas. Xantar colectivo e faladoiro feminista.
NOS_6629
Así o confirmou o condutor nunha comunicación por radio coa estación. A información foi confirmada polo Tribunal superior de xustiza de Galiza, namentres a subdelegación do Goberno español eleva a cifra de mortes a 78. Faltan aínda dous vagóns por inspeccionar
"Somos humanos!", repetía o condutor do comboito que descarrilou esta cuarta feira a catro quilómetros de Compostelanunha conversa por radio que mantivo coa estación da capital galega. Segundo vén de confirmar o Tribunal superior de xustiza de Galiza, un dos condutores do comboio confirmou nesa conversa coa estación que circulaba a 200 quilómetros por hora no tramo anterior á curva onde se produciu o sinistro, onde a velocidade fica limitada aos 80km/h. Porén, a el non lle deu tempo de decelerar e entrou na curva a máis do dobre, a 190km/h. No lugar non estaba instalado o dispositivo que impedía rebasar a velocidade máxima. Os dous condutores do tren saíron ilesos do accidente máis grave acontecido na Galiza, e o que máis vítimas mortais rexistrou no Estado español desde 1944. A cifra de mortes sobe a 78 e faltan vagóns por inspeccionar Malia que nun primeiro momento se barallou a hipótese dun atentado, alimentada polas informacións da imprensa, tamén da TVG, e que o Goberno español tardou algunhas horas en desmentir, finalmente é o grande exceso de velocidade á cal viaxaba o tren o que se perfila como causa do sinistro que se saldou con 78 mortes. O dado é oficial, confirmado polo subdelegado do Goberno español na Galiza, mais é provisional. A listaxe cos nomes das persoas feridas púxose a disposición das familias ao redor das 9.45 desta mañá e faltan aínda dous vagóns por inspeccionar. As familias quéixanse do moito tempo que están a demorar as labores de identificación e que as informacións "non son tan claras como deberan". A través dun comunicado de imprensa, a Xunta pide "paciencia".
NOS_35003
A plataforma social en defensa dos direitos nacionais de Galiza Vía Galega xa é unha realidade. Este sábado apreséntase en Compostela. No seu sitio web hai un enlace para quen desexe asinar o seu manifesto.
Por volta de 50 entidades do ámbito do soberanismo -asociacións culturais, fundacións, sindicais, agrarias, ambientalistas, da memoria histórica...- constitúen a plataforma Vía Galega, un foro de encontro do tecido social do país en chave nacional. O denominador común de todas estas agrupacións é a consideración de Galiza como nación e a defensa do seu dereito á libre determinación. Chega con asumir eses principios básicos para integrar a plataforma. Non é de adscrición individual, mais as persoas si están convocadas a asinar o seu manifesto sob a lenda xenérica de "Somos unha nación. Temos dereitos, fagamos ouvir a nosa voz". A apresentación de Vía Galega terá lugar este sábado ás 11.30 horas en Compostela, no centro socio-cultural de Fontiñas (rúa de Berlín, 13). A plataforma constituíse formalmente o pasado 20 de xaneiro e na súa reunión fundacional, entre outros acordos, resolveu preparar a redacción dunha "carta de dereitos do pobo galego" que se dará a coñecer en novembro deste ano, a coincidir co centenario da Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918. Vía Galega xa existe na rede e é unha plataforma permanentemente aberta á incorporación de novos colectivos. VG non vén suplantar nengunha das organizacións que a integran -esclarece Suso Seixo, en calidade de portavoz-, mais a nova entidade si responderá con accións propias face calquera hipotética agresión "aos nosos dereitos como país".
PRAZA_1112
O presidente apoia o candidato do PP en Amoeiro, onde a Xunta Electoral expedientou o seu partido pola presunta "manipulación" do voto a anciáns, denunciada polo PSOE. O alcaldable atribúe a denuncia a unha "trama que non existe".
A pasada semana, ás portas do inicio da campaña electoral, saían á luz as testemuñas de varios anciáns e da responsable dunha residencia de maiores en Amoeiro (Ourense). A través de dúas gravacións en vídeo estas persoas aseguraban que responsables do PP local exerceran presións para manipular o seu voto e, en última instancia, carrexalo. Os vídeos formaban parte dunha denuncia do PSdeG ante a Xunta Electoral, que poucos días despois iniciou un expediente sobre o asunto mentres os populares ourensáns anunciaban dúas querelas criminais por inxurias e calumnias. Con este pano de fondo Alberto Núñez Feijóo acudiu este martes para pedir o voto precisamente en Amoeiro e, dende alí, volver axitar o medo do apoio ao Goberno de Venezuela. Tras promover no Parlamento de Galicia unha condena contra o Goberno de Venezuela e unha semana despois de vincular a AGE coa Unión Soviética e a "Alemaña do Leste" o presidente da Xunta acudiu a Amoeiro para reivindicar o seu partido como única vía posible para a "confianza" despois dos comicios do 24-M. "Na política -di o presidente da Xunta- a confianza é básica, se ti confías nun político, se confías nun equipo, a ese equipo lle dás a túa confianza", evidencia. Neste marco é onde lle preguntou aos asistentes ao seu mitin de Amoeiro -onde goberna o PSdeG cun só edil máis que o PP- se "confían" ou non no resto de forzas políticas. "Aquí se cre que os servizos públicos hai que confialos a partidos que din que o réxime venezolano é moi respectable?", preguntou Feijóo no mitin de Amoeiro "Vós confiades nas políticas económicas do PSOE?", preguntou. "Confiades en que aqueles que destruíron tres millóns e medio de postos de traballo agora son a solución para crear emprego?". Do mesmo xeito, tamén testea a confianza no que denomina "partidos franquicia", isto é, Podemos e as diversas plataformas municipais. "Aquí se cre que os servizos públicos, por exemplo, a sanidade, hai que confialos en partidos que din que o réxime venezolano é un réxime moi respectable que hai que manter e que en ningún caso nos podemos opoñer á falta de liberdades que hai en Caracas e en Venezuela?", preguntou á concorrencia. "Vou para Ribadavia", respondeu Feijóo ao ser cuestionado pola prensa sobre o presunto carrexo Feijóo obviou no seu discurso a cuestión do carrexo pero quen non o fixeron foron os seus compañeiros de mitin, Manuel Baltar e o candidato local, José Sampayo. Segundo o aspirante a recuncar como presidente da Deputación ourensá o PSdeG debería exercer "máis xestión" e non dedicarse só aos "titulares ficticios". Sampayo, pola súa banda, instou os socialistas, aos que aspira a desbancar, a "deixar de montar tramas que non existen". Dadas as circunstancias Feijóo aínda tivo unha oportunidade máis para referirse á presunta presión aos votantes. Ao rematar o mitin, segundo informa La Voz de Galicia, un xornalista deste diario preguntoulle ao respecto. "Vou para Ribadavia", respondeu o xefe de filas do PP en Galicia. "Feijóo vén a Amoeiro a arroupar o baltarismo en momentos de debacle polas prácticas ilegais da súa candidatura", lamentou o PSdeG local a través das redes sociais.
PRAZA_9526
Os investigadores Antonio Míguez Macho e Lourenzo Fernández Prieto, que debullaron os vínculos da maxistrada co franquismo, analizan o texto dun ditame ao que atribúen "erros grosos". "A maxistrada ten un prexuízo sobre o pasado, unha consideración definida sobre el", din.
Unha sentenza en primeira instancia de hai un mes deu a razón á familia Franco no xuízo no que o Concello de Santiago reclamaba a propiedade das estatuas do Mestre Mateo. A xuíza baseou a súa desestimación da demanda en diferentes aspectos e tirou do principio de usucapión, xa que logo, da posesión pacífica, pública, continuada e non interrompida dun ben. No ditame, xa recorrido, argumenta que o desleixo do Consistorio á hora de demandar as figuras, en plena ditadura, é motivo dabondo para xustificar outorgárllelas aos herdeiros do xeneral fascista, ademais de pór en dúbida a identificación das mesmas e que fosen entregadas á administración local nalgún momento. O escrito, ademais, obvia calquera excepcionalidade do réxime autoritario no que ten que ver co feito xulgado, establece unha continuidade entre o franquismo e a democracia e dá unha visión edulcorada da época. Os evidentes vínculos familiares coa xerarquía fascista da maxistrada Adelaida Medrano foron debullados polos investigadores e historiadores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, que analizaron tamén o relato "monstruoso" que supón esta sentenza. Falamos con eles tras analizaren con detalle o documento. Que lles sorprende da sentenza?Antonio Míguez (AM): A nosa opinión xurídica ten unha importancia pública moi relativa, pero a xuíza fai alusión a moitas circunstancias históricas que se revelan claves para fundamentar o seu ditame. É aí onde nós podemos ter unha opinión técnica pola nosa competencia específica. Nesas alusións a elementos históricos é onde nós atopamos erros grosos, inexactitudes, cuestións que os nosos estudantes, se as puxesen nun exame, estarían suspensos. Preguntámonos de onde saca a xuíza o coñecemento histórico para facer varias afirmacións cando non hai ningún perito nin persoa con formación histórica que a asesore. Lourenzo Fernández Prieto (LF): Hai unha cuestión relevante á hora de fundamentar a sentenza que é o contexto histórico do franquismo, ditatorial. Fai unhas consideracións onde hai inexactitudes, erros grosos. Suspendería un exame en calquera facultade de España. "A xuíza fai unhas consideracións onde hai inexactitudes, erros grosos... Suspendería un exame en calquera facultade de España"Cales son?A primeira é que, na argumentación xurídica da sentenza, é fundamental esta figura da prescrición adquisitiva e intenta determinar que o caso destas estatuas axústase a algunha das modalidades de usucapión. A xuíza di que desde o ano 1954, momento no que supostamente se produciu esa cesión irregular das estatuas a Franco, pasaron xa 63 anos (conta ata 2017) e argumenta que ese paso de tempo é unha cuestión fundamental para poder aplicar a usucapión ao entender que o Concello fixo desleixo de funcións mínimas de coidado do patrimonio porque nunca reclamou nada. Os avogados, como ela indica, lémbranlle que era impensable que un Concello puidese reclamar algo a Franco naquelas datas e ela rebate advertindo de que esas "especiais circunstancias políticas vixentes durante o réxime instaurado polo avó dos hoxe demandados", así o di, non permiten soster a tese do letrado de que non houbo desleixo. Como se reclamar algo a Franco en plena ditadura fose o habitual, logo...AM: Segundo ela, textualmente, "as normas xurídicas e os prazos civís son os que son e non os que as partes queren que sexan e han de aplicarse e computarse como a propia normativa impón, sen que caiba adaptalos aos particulares intereses das partes". Isto é unha barbaridade porque o que nos di é que para ela non hai ningunha diferenza a nivel valorativo entre unha ditadura e unha democracia. É ata insultante chamalo "especiais circunstancias políticas vixentes"LF: Ela non descoñece que é o avó dos demandados e que instaurou un réxime especial, pero nada diso, segundo argumenta, está por riba da súa liña de continuidade. Aí é onde está o problema. "É unha barbaridade que para a xuíza non haxa ningunha diferenza a nivel valorativo entre unha ditadura e unha democracia"Establece unha liña de continuidade entre franquismo e democracia, como se nada mudase...AM: O seu argumento nin tan sequera se corresponde con outras sentenzas do Supremo no mesmo sentido. Este tribunal ten declarado que non se poden computar os prazos dunha maneira continua, senón que hai que ter en conta esas "especiais circunstancias políticas vixentes". Neses casos, o Supremo empeza a contar a partir da promulgación da Constitución. Pero é que despois di que "en todo caso, o réxime político citado finalizou en novembro de 1975 e ata que foi requirida extraxudicialmente a nai dos hoxe demandados, transcorreron 42 anos de evidente pasividade por parte do Concello". É outra barbaridade pensar que a ditadura acabou coa morte de Franco, dicir isto é un erro histórico. Polo menos tería que comezar a contar eses prazos e saber que ata a promulgación da Constitución, esas circunstancias especiais non remataran, pero tamén debería ter en conta que o Concello non pasou a ser unha institución democrática ata 1979 polo menos. É unha persoa con un importante grao de imprecisión histórica e iso é o que nos fai preguntarnos de onde saca as referencias que existen na sentenza. Pero os seus argumentos van máis aló...AM: Si, porque argumenta que a posesión foi "pública pacífica e non interrompida" e que non houbo "a concorrencia de feitos clandestinos susceptibles de quedar integrados no artigo 444 do Código Civil, non téndose adquirido ou mantido pola forza durante os períodos prolongados de posesión do dereito que a lei contempla, ao ser o propio Concello quen, ao parecer, entrega os bens de forma voluntaria de acordo co relato da actora". E fala que esta propiedade "non foi interrompida pois o propio Concello confirma que desde 1954 nunca volveu posuír as estatuas". Isto é fundamental porque non é viable, porque nun réxime ditatorial non existen esas garantías de dereito nin protección que permitise que un Concello puidese exercer unha acción de forma voluntaria, non existe. É unha concepción do funcionamento institucional que non se corresponde co coñecemento histórico dese período. "Non hai ningunha posibilidade no marco dunha ditadura de que houbese reclamación por parte de ninguén, nin do Concello nin de persoa ningunha"E insiste na posesión "pública, pacífica e non interrompida"...AM: E alega que foi pública porque a familia cedeu as estatuas para unha exposición en 1961... Naquel ano, non hai ningunha posibilidade no marco dunha ditadura que viola sistematicamente os dereitos humanos e sen garantía de que houbese reclamación por parte de ninguén, nin do Concello nin de persoa ningunha. Logo fala da exposición de 2017, na que volven ser amosadas nunha exposición, e é aí cando se fi a reclamación, obviamente, no marco dun Estado plural e democrático. Se non se percibe a diferenza entre ambas circunstancias é que non se entende o carácter da ditadura como un réxime substancialmente diferente á democracia. Para ela é un continuo. Hai, ademais, un factor que cambia no medio de todo isto: a partir da fin da ditadura, os membros da familia Franco pasan a ser particulares, cousa que antes non eran. A familia xa non fai presentación pública dos bens ata hai poucos anos. Fai un relato, xa que logo, eivado?LF: A xuíza maniféstase con autoridade para entender ese pasado. Entende que é suficiente o que ela sabe para entender ese pasado. A democracia ten unha idea de pasado e non pode ser a da ditadura, e ela estanos dicindo que o relato da democracia é igual có da ditadura. Ten unha visión predemocrática, preliberal e monárquica, pero da monarquía de Franco, porque entende que Franco é outro monarca máis. O que ela ten é un prexuízo sobre o pasado, ten unha consideración definida sobre o pasado. É un puro descoñecemento da historia, flagrante. AM: Ela non considera que o coñecemento histórico entre dentro do científico, senón da opinión ou do político. Para a aplicación do Código Civil, o contexto histórico non lle importa. É iso o que di. Ese é o problema. Pero ela si que utiliza o contexto histórico para xustificar o seu ditame. LF: Comete un montón de erros que calquera historiador marcaría porque substitúe calquera pericia ata un extremo negacionista, porque nega que houbo unha ditadura e establece que hai unha continuidade. "A xuíza ten un prexuízo sobre o pasado, ten unha consideración definida sobre o pasado. É un puro descoñecemento da historia, flagrante ata un extremo negacionista"Pero como se proba que as estatuas foron espoliadas polos Franco?LF: Cal é a proba de que foron usurpados polos Franco? Que non hai resto documental. Esa é a proba. Hai un Concello que presenta documentación de actas, de informes, de decisións, de oficios... Documetnación municipal dunha institución en ditadura pero que se rexe polas lóxicas da administración liberal que viña de antes. O que a xuíza di é que non hai ningunha proba do contrario, pero si unha explicación, a da familia, a memoria do ditador. É a memoria da ditadura a que lle di a ela que a versión do Concello, que é positivamente demostrada en actas institucionais. é falsa, pero que a a ditadura é verdadeira, sen proba documental ningunha. E aí basea a usucapión. Isto é monstruoso porque converte en lei a memoria. Pero tamén no da continuidade. Onde está o dereito na ditadura para que ela entenda que hai continuidade de dereito? Na lóxica de que o Concello puido reclamar que quere dicir? Que puido resistirse? Ti reclamas despois de que cho leven e antes resísteste. E como se reclama? Onde está o dereito na ditadura? Ninguén se quere facer esta pregunta porque todos asumimos que hai unha continuidade de dereitos, transaccionada ou modificada, pero haina e ela di precisamente isto. "O relato do pasado que fai a maxistrada é monstruoso, peor que ignorante, demasiado grave"Como cualifican o relato que fai a xuíza na sentenza?LF: Nós temos capacidade, formación, posición e dereito a facer unha análise historiográfica do relato que fai do pasado e iso vai á misa. Se se nos nega ese dereito estásenos negando o coñecemento. Queremos valorar o seu relato do pasado porque é monstruoso, é peor que ignorante. É un relato monstruoso desde o punto de vista dun historiador que coñece o pasado. É demasiado grave. AM: O que si podemos entrar é na contextualización histórica que se lle dá para fundamentar a sentenza e resulta bastante relevante entender como funciona a ditadura. Que elementos dentro da ditadura funcionan dentro dun marco de lóxicas administrativas e cales saen deses marcos. Podemos partir dun principio sinxelamente xurídico. A Constitución do 78 recoñece a validez de todas as normas anteriores agás aquelas que contradigan explicitamente o contido da propia Constitución. Non podemos convalidar que se fagan referencias históricas e non outras. Non hai nada que faga alusión ás circunstancias especiais, á lexitimidade, á se se pode aplicar ou non a cuestión xurídica nin que a apropiación foi indebida pola situación histórica. O grave é que esa cuestión histórica se resolva referendando a memoria e o discurso da propia ditadura ao respecto do que pasou. Por que é necesario ou importante esta análise?LF: O asunto ten interese público, tamén porque as estatuas son do Pórtico da Gloria, non nos esquezamos disto. O roubo e o latrocinio non foron alleos ao réxime de Franco. Hai moitas mostras e causas. Cando falamos de plutocracia estamos a falar disto. Hai moitos máis casos sobre arte roubado e o seu destino. Houbo múltiples xuízos na historia de Europa sobre este tema. Cal é a diferenza? Pois que a familia Franco reacciona ante os intentos por recuperalo mentres noutros lugares hai familias, como os Thyssen, que teñen unha conciencia que os Franco non teñen. Estamos discutindo e vendo o asunto e por outro lado valorando a conciencia cívica, colectiva, democrática, non xa só co relato do pasado. Isto resúmese no da impunidade pero iso é moi simple. A xuíza chega a argumentar que non está claro que as estatuas reclamadas se correspondan coas do Pórtico da Gloria...LF: Se ese é o argumento, ela terá que, de motu propio ou dirixíndose ao fiscal, chamar a atención sbore o feito de que haxa unhas estatuas que desapareceron, polo que haberá que buscalas. AM: Cando fundamenta a sentenza, o relevante é o feito do abandono e a inactividade do Concello durante os períodos prolongados e detalla o feito de que a posesión fose pública, pacífica e non interrompida e que os Franco non se fixesen con elas de maneira clandestina, senón como doazón. Eses son os dous elementos claves. E son os dous erros de vulto.
NOS_26001
Acaba de ver a luz Madialeva, unha banda deseñada de Ana Moreiras que pon o foco nas mulleres rurais como transmisoras da historia oral. Cun profundo pouso documental, a obra procede de relatos reais reelaborados pola debuxante, que reivindica o abandono do agro e o desleixo por parte das administracións.
Ana Moreiras está a apresentar a novela gráfica Madialeva, editada grazas a un micromecenado popular na rede. Trátase dun traballo coas tintas cargadas no íntimo, pois a autora pasou na infancia moito tempo en Miraz (Friol), onde ficou fascinada coas historias que contaban as persoas máis vellas. Así, rematou por sentir a necesidade de as plasmar nesta obra, un feito que se viu precipitado por unha endometriose que lle impediría ter fillas e continuar a cadea de transmisión. "Case diría que 90% é documental", afirma Moreiras. A súa recreación xera unha obra cun forte arrecendo a autenticidade na que as mulleres labregas son as protagonistas do relato oral. Fortes e combativas, a ilustradora e mestra chama a atención sobre a importancia destas historias pequenas que "madialeva que tiñan que ser contadas", especialmente nun momento no que o rural esmorece coa conivencia das administracións. O vindeiro sábado 4 de decembro Moreiras apresentará Madialeva na escola de Miraz, nun acto ao que asistirán as tres mulleres que inspiraron os relatos. "Aínda non o leron, pero estano desexando", asegura ao tempo que confesa a súa preocupación por "non defraudalas". A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.
NOS_27435
Após a demisión en bloque da dirección pola escaseza de profesorado, a Consellaría fai ouvidos xordos e nomea unha nova directora para re-estruturar o centro.
Embora incumpriren o seu propio catálogo docente e reducir o número de profesor@s para este curso académico no IES Vilar Ponte de Viveiro, a Consellaría de Educación desatendeu as demandas da dirección do centro e vén de nomear unha outra persoa para que encabece o proceso de re-estruturación do centro. No concreto, a nova directora deberá axustar os horarios e as quendas de garda @s 42 docentes c@s que contará o instituto para o curso 2014-2015. Dúas prazas e media menos das que lles correspondía de acordo co catálogo aprobado pola propia Xunta. Educación nomea unha nova directora porque 42 docentes, di, "son suficientes" O 25 de setembro, a dirección do IES Vilar Ponte presentou a súa demisión en bloque en protesto pola decisión do goberno galego de non cubrir unha praza de Lingua Castelá. Nun comunicado de imprensa denunciaron que a asignación das quendas e distribución dos horarios se tivera que desenvolver en precario perante un incremento no número de estudantes. Para alén, salientaban que supuña un incumprimento do "cupo que a propia Administración lle tiña asignado ao centro". Neste senso, a escaseza de profesorado obrigaba a aprobar unha re-estruturación de toda a oferta educativa co curso xa comezado. Mais desde a xefatura territorial da Mariña desouviron as demandas de profesorado, alumnado e familias e procederon ao nomeamento dunha nova directora que actuará, aseguraron, "en funcións" durante un ano. En tres anos foron suprimidas 8 prazas neste centro Nos últimos "tres anos", denuncian desde o IES Vilar Ponte "quitáronnos 8 prazas de profesores", porén, desde Educación aseguran que @s 42 docentes son suficientes para cubrir as necesidades do centro. Perante esta decisión, a Anpa do instituto convoca unha concentración na Praza Maior viveirense e desenvolverán unha asemblea para deseñar un plan de acción co que amosaren o seu rexeitamento. Pola súa banda, o alumnado xa recompilou máis de 800 sinaturas para solicitaren á Consellaría de Educación unha profesora máis.
PRAZA_20342
MAPA INTERACTIVO A convocatoria das oposicións obriga a Xunta a asignar os tribunais cun "mínimo" de "cinco días naturais de antelación". Os tribunais de Infantil e Primaria distribúense por ata seis localidades diferentes. GRÁFICO | Distribución das 1.043 prazas por especialidades
GRÁFICO | Distribución das 1.043 prazas por especialidades O sábado é un día sinalado para 14.449 que están citadas a primeira hora da mañá en 57 centros educativos de Galicia para concorreren a algunha das 1.043 prazas, 912 delas de ingreso, que a Consellería de Educación convocou o pasado abril tras manter durante meses a dúbida sobre a súa convocatoria pola non aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, demostrando así que, ao contrario do afirmado, si era posible convocalas con independencia do ritmo negociador no Congreso. A esa incerteza inicial o Goberno galego engadiu desta volta outra para case a metade de quen aspiran a seren docentes do ensino público: non coñeceron ata este xoves, a 48 horas do inicio dos exames, o lugar ao que terán que dirixirse para realizaren as probas. A convocatoria oficial das oposicións, ditada o pasado 17 de abril, deixa claro que a Consellería se obriga a si mesma a detallar as horas e lugares das probas cun "mínimo" de "cinco días naturais de antelación", prazo que expiraba o pasado luns, día 19. O día 14 a Consellería publicou a resolución que indica as horas das presentacións e primeira proba dos exames, a localidade e o centro no que se atopa cada tribunal. Pero non fixo o mesmo coa distribución do persoal opositor entre os tribunais ata este xoves, día 22, cando estiveron dispoñibles no seu sitio web. A convocatoria das oposicións obriga a Xunta a asignar os tribunais cun "mínimo" de "cinco días naturais de antelación" Este incumprimento dos prazos previstos provocou que só coñecesen as localidades das oposicións cunha marxe maior de dous días as persoas que aspiran a prazas docentes na ESO e en Formación Profesional. A razón é que en ambos niveis os exames de cada especialidade se realizan nunha única cidade; así, por exemplo, as 936 persoas -continxente máis numeroso do nivel- que optan a algunha das 63 prazas de Xeografía e Historia confirmaron o día 14 que terán que examinarse na Facultade de Económicas de Santiago. Noutros casos, como o das 713 aspirantes ás 100 prazas de Matemáticas, souberon que acudirán a Pontevedra, mantendo ata este xoves a dúbida de a cal dos dous institutos que acollen as probas terían que ir. Os tribunais de Infantil e Primaria distribúense por ata seis localidades diferentes A incerteza foi moito maior para as máis de 7.300 persoas anotadas ás oposicións do corpo de mestres -todas agás agás as 169 que optan a unha praza de docente de lingua francesa-. Nas súas especialidades máis numerosas, as de Educación Infantil -2.550 para 50 prazas- e Primaria -1.866 con 65 prazas en xogo- os exames celébranse en 21 e 15 tribunais, respectivamente, que se distribúen por distintas cidades do país. Aínda que ao tramitar a inscrición nas probas o persoal opositor indica unha localidade de preferencia, esta só é asignada se é "posible". Cando unha cidade acumula demasiadas solicitudes, o resto de aspirantes son reubicados noutras. Así, ata estes xoves as persoas inscritas nas oposicións de Infantil e nas de Primaria non puideron confirmar se o sábado realizarán os seus exames na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago ou Vigo, cidades nas que a celebración das oposicións xa se percibe na demanda de prazas hoteleiras para a fin de semana, especialmente nas de menor dimensión. Noutras especialidades do corpo de mestres, como Inglés ou algunha das modalidades de Educación Especial, os exames celébranse tamén en ata cinco cidades distintas. Emprazamento dos tribunais das oposicións de educación. Utiliza o zoom para veres os de cada cidade "A Consellería continúa instalada na improvisación e na desconsideración" Para o sindicato maioritario no sector, a CIG-Ensino, a demora na asignación do persoal opositor aos diferentes tribunais amosa que a Consellería de Educación "continúa instalada na improvisación e desconsideración" con quen farán os exames, xa que "é inxustificábel" que non puidesen coñecer no prazo fixado pola propia orde "onde van realizar a presentación e a primeira proba", o que supón un exercicio de "irresponsabilidade" da Xunta, ademais dunha irregularidade. Tamén a federación educativa da UGT lamenta a "desorganización" do departamento autonómico, unha "incerteza constante" durante todo o proceso que impediu ás aspirantes "organizar a viaxe ou reservar hotel" con antelación, "incrementando a ansiedade" previa ás probas, o que len como un "desprezo" por parte do goberno. Distribución por tribunais - Primaria Distribución por tribunais - Secundaria
QUEPASA_64
Este 12 de xullo de 2020 2.7 millóns de galeg@s escolleron a nova composición do Parlamento Galego nunhas novas Eleccións Autonómicas.
En Ponteceso, onde goberna con maioría absoluta o PSOE, o PP tamén gaña co 52%. Tamén aquí o BNG supera ao PSOE como segunda forza. Resultados das #ElecciónsGalegas2020: O PP gaña en 18 dos 19 concellos da Costa da Morte As promesas do 2020 As promesas do #12X (III): O BNG reparte promisións. As promesas do #12X (II): O PP confía na súa supremacía na Costa da Morte. 06-07-2020: As promesas electorais (I): Xustiza democrática. Outras accións da campaña 19-06-2020: O BNG tamén abriu a campaña dende unha granxa de Mazaricos. 17-06-2020: O PP abríu a campaña do #12X visitando á industria agroalimentaria da Laracha. 15-06-2020: Gonzalo Caballero abre a campaña costeira do #12X.
NOS_42491
Por que os xuros na banca son baixos? Son reais? Analizámolos nunha reportaxe publicada no Sermos Galiza 225, xa á venda na loxa. Eis un extracto da información.
Europa comezou a cambiar no ano 2008, co estalido dunha crise financeira que no caso do Estado español xerou desemprego, precariedade e inseguranza nas clases populares e medias. Desde entón, e malia que, como dixera o presidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero, o sistema bancario español estaba por méritos propios na cimeira mundial, nada volveu ser igual, nin cara a fóra nin tampouco cara a dentro, principiando daquela unha reestruturación que aínda non culminou todas as súas fases. O caso recente do Grupo Popular así o evidencia. A nivel interno, os efectos desa catarse após oito anos falan por si mesmos. No informe A economía galega, elaborado para Abanca por unha equipa dirixida por Alberto Meixide, achéganse dados que apuntan nesa dirección: desde a quebra de Lehman Brothers, pecháronse en Galiza nada menos que 800 oficinas, isto é, o 30% da rede, e destruíronse entre 5.000 e 6.000 postos de traballo dos perto de 20.000 cos que comezara aquel ano. En ningún sector, todo hai que dicilo, o axuste foi tan drástico. Paralelamente desenvolveuse o desmantelamento do sistema bancario propio e a día de hoxe pódese afirmar con rotundidade que, como sostén o economista e autor de As relacións banca-industria en Galicia, Ramón Yáñez, "non hai banca propiamente galega, pois depende de grupos alleos". [Podes ler a reportaxe íntegra, que inclúe unha reportaxe coa responsábel de Adicae na Galiza, no Sermos 225, á venda na loxa online]
NOS_21341
Partido trampa para o Celta na segunda rolda da Copa do Rei. Coa obriga de dar descanso a pezas chave con moitos minutos nas pernas, o Chacho Coudet afronta o choque ante o Ibiza co favoritismo que outorga a súa condición de equipo de Primeira, pero co respecto que merece un conxunto que non perdeu ningún xogo esta tempada.
Cando aínda está fresca a derrota do pasado sábado ante o Real Madrid, o Celta xoga mañá (17 horas) ante a Unión Deportiva Ibiza de Segunda B o pase á seguinte rolda da Copa do Rei. Os celestes son claros favoritos, mais farían mal en confiarse ante un conxunto de escasa historia pero ampla carteira que leva desde o pasado 18 de xullo sen perder nin un só partido oficial. Ademais, o céspede artificial do Estadi Can Misses pode ser un obstáculo para os futbolistas galegos, acostumados a xogar sobre auténticas alfombras de pasto natural. Non viaxan a Ibiza nin Nolito nin Iago Aspas, que caeron lesionados ante o Real Madrid e que permanecerán fóra de xogo durante tres e dúas semanas, respectivamente. Este contratempo obrigará a Coudet a ser creativo no ataque, e non se descarta un cambio no sistema de xogo. Dépor Abanca Tamén xoga nunha illa no día de mañá (12 horas) o Deportivo Abanca, único equipo galego na máxima categoría do fútbol feminino. A escuadra branquiazul volve despois de dúas semanas de parada a causa do Nadal para enfrontarse coa Unión Deportiva Granadilla Egatesa Tenerife, unha das máis potentes de toda a Liga Iberdrola, como certifica a súa condición de cuarta clasificada, a tan só tres puntos do intratábel Fútbol Clube Barcelona, líder con pleno de vitorias. A superioridade do Granadilla sobre o Dépor -fechacancelas con só sete puntos- parece evidente, mais o equipo de Manu Sánchez foi quen de deixar atrás un desastroso comezo de campaña e antes das vacacións estaba inmerso nunha liña ascendente de xogo e resultados. "Teño a incerteza de saber se imos ser capaces de estar ao mesmo nivel -recoñece o técnico coruñés-, pero agardo que sigamos o exemplo do empate ante o Madrid CFF na súa casa, que nos ten que servir para ver o que somos quen de conseguir ante rivais dun potencial enorme". De cara a este partido ante o Granadilla, Manu Sánchez recupera Esther Sullastres, que superou unhas molestias no ombreiro que a tiveron de baixa durante as últimas xornadas. Non obstante, Kika caeu da convocatoria por unhas molestias no cuádriceps, que agarda superar o antes posíbel de cara ao maratón de partidos que afrontará o Deportivo Abanca nas vindeiras datas, sete en pouco máis de 30 días.
PRAZA_10114
A vindeira semana comeza o festival, polo que este ano pasarán Rodrigo Sorogoyen, Leonor Watling ou El Gran Wyoming e serán premiados Carlos Blanco, Pilar Comesaña ou Nieves Rodríguez. Proxeccións, concertos, charlas, roteiros e unha ampla programación infantil levarán a Cans a milleiros de persoas entre o mércores 22 e o sábado 25.
Xa non queda nada para unha nova edición do Festival de Cans, que será a 16ª. Comezará o vindeiro mércores 22, no coñecido como Día dos Veciños. O xoves 23 chegará a esperada estrea de Eroski Paraíso e o venres 24 será o momento de entregar os premios ás curtametraxes e videoclips escollidos polo xurado e tamén os recoñecementos ás traxectorias, que nesta ocasión homenaxean a Carlos Blanco, Nieves Rodríguez ou Pilar Comesaña. O sábado 25 é tradicionalmente a xornada na que máis xente se reúne en Cans, cunha ampla programación para todas as idades.Serán catro días de proxeccións, pero tamén de concertos. De debates e presentacións, de roteiros e tamén de actividades infantís. Noites de torreiro e mañás de chimpín. Todas ao jalpón!1. Hannes Stöhr. O cineasta alemán Hannes Stöhr será o protagonista da primeira retrospectiva internacional da historia do Festival de Cans. Proxectaranse os seus filmes Galatasaray-Dépor (2005), Berling Calling (2008) e Global Player (2013). Stöhr, que viviu nos anos 90 en Compostela, onde fixo amizade con Miguel de Lira, Luis Tosar ou Blanca Cendán, estará en Cans dende o 22 de maio para manter encontros co público, participar no coloquio Café con CREA e falar do guion da súa vindeira longametraxe, na que retomará a conexión Galicia-Alemaña.2. Xan Cejudo. O actor, finado o pasado ano e que participara en varias edicións do festival, será homenaxeado por Mela Casal e Xabier Picallo nun coloquio Fundación AISGE titulado "Pioneiros e pioneiras da interpretación, lembrando a Xan Cejudo" e que terá lugar o mércores 22 de maio.3. Rutas cinéfilo-literarias. Os días 22 e 23 de maio os escritores Carlos Meixide e Xosé Antonio Perozo guiarán os e as asistentes por senllas rutas cinéfilo-literarios baseadas nas súas obras: a novela xuvenil Cans e A grande epopea do pianista de Cans, respectivamente, novela esta última que se presentará no festival.4. Cans do Futuro. Centros educativos de toda Galicia organizan visitas extraescolares durante as mañás do mércores, xoves e venres, nunha actividade feita en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual. Alí coñecerán ademais a profesionais do mundo do audiovisual, nomeadamente a representantes dalgúns oficios decote "invisibles", como Alicia Saturna (vestuario); Lucía Catoira Pan (directora de fotografía) e Diana Toucedo (montadora).5. Os chimpíns. Son un dos grandes símbolos do festival e serven para dar unha entrada triunfal aos e ás participantes no festival. O primeiro desfile de chimpíns terá lugar o xoves 23 ás 19.30 horas, acompañados pola banda de gaitas Os Zoqueiros e repetirase o sábado ao mediodía coa charanga Nova Jomada. A procesión de chimpíns está programada para o venres 24 ás 22 horas coa Treboada Miñota6. Eroski Paraíso. O xoves 23 ás 20 horas estrearase o filme, dirixido por Jorge Coira e Xesús Ron a partir da obra homónima de Chévere e na que actúan Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Cristina Iglesias, Luis Martínez e Fidel Vázquez.7. Mareas Vivas. O venres 24 un coloquio afondará na xénese e legado desta serie, de cuxa estrea se celebra o 20 aniversario. Participarán actores e actrices como Víctor Mosqueira, Camila Bossa, Miguel de Lira e Isabel Blanco, que destacarán o que Mareas Vivas supuxo para unha xeración de intérpretes e para o audiovisual galego en xeral.8. A que andas? e Fillos/as de Cans. Estas dúas seccións, ao longo do venres, fan un repaso polos traballos en preparación de realizadores/as que pasaron polo festival en pasadas edicións. Nesta ocasión, coñeceremos algo máis dos futuros traballos de Álvaro Gago, Andrés Goteira, Chelo Loureiro, Victor Duplá, Diana Toucedo e Juanjo Giménez e veremos avances dos de Jorge Coira, Paula Cons, Fon Cortizo, Liliana Torres e Roi Fernández9. Sección oficial. Entre a enorme oferta que presenta a programación de Cans, ás veces case esquecemos que este é un certame competitivo, ao que cada ano se presenta un gran número de curtametraxes. 10 curtametraxes galegas de ficción foron seleccionadas como finalistas, o mesmo que 5 pezas de animación. Ademais a sección FuraCans recolle 9 traballos de non ficción realizados por outros tantos directores e directoras galegas moi novas, nacidas xa na década dos noventa na súa maior parte10. Concurso de videoclips. Foron selecionados 19 videoclips de bandas e artistas galegas, de Pantis a Músculo!, pasando por Baiuca, MounQup, Igloo ou Silvia Penide. Os premiados e premiadas coñeceranse o venres pola noite.11. Concertos. Marlango, a banda de Leonor Watling actuará o venres 24 ás 20.30 horas. Será un dos moitos concertos programados nesta edición do festival: Aries, Dakidarría, MJ Pérez, Gran Wyoming & Los Insolventes, The Legendary Tigerman, Chisme, Budiño...12. Carlos Blanco e demais premios. Este ano o Festival de Cans outorgará o seu máximo galardón, o Premio Pedrigree, ao actor Carlos Blanco como recoñecemento a unha traxectoria de case tres décadas. Será o venres 24 ás 22.30. Na Noite das homenaxes tamén se entregarán os Chimpíns de Prata, que nesta ocasión recoñecen á actriz Nieves Rodríguez e tamén a Paz Acuña e Rafa González, veciña e veciño de Cans. Ademais, este ano Cans concede por primeira vez o Chimpín de Prata "Divina Campos", que destacará a persoas do mundo de la comunicación que contribuíran a dar a coñecer o festival. Nesta ocasión o premio será para a xornalista da TVG Pilar Comesaña.13. MiniCans. MiniCans é un espazo familiar con actividades musicais e relacionadas co cine orientadas aos máis pequenos e pequenas. Ao longo de todo o sábado 25 haberá unha completa programación con proxeccións, obradoiros, concertos...14. Ultravioleta. Esta sección, o sábado pola mañá, componse dunha antoloxía de curtas realizados por artistas e creadoras, que tratan diferentes temáticas dende unha perspectiva feminista.15. Roteiro con Xurxo Souto. O sábado pola mañá Xurxo Souto guiará CanSonoro, unha ruta da música e do patrimonio na que participan os acordeonistas Acordecans e que pasará por distintos lugares da parroquia a través das historias das veciñas e veciños e da tradición musical de cada casa de Cans.16. Rodrigo Sorogoyen. O sábado 25 ás 12 horas estará no Coloquio na Leira o director de El Reino, a gran triunfadora dos Premios Goya deste ano, nos que obtivo sete galardóns, entre eles o de mellor película, Dirección, guión e actor de reparto para Luís Zahera. Sorogoyen colocará a súa estrela no Torreiro de Cans e proxectará a súa curta Madre no Jalpón dos Oscar.
NOS_54716
A industria naval perdeu 2.000 empregos na Galiza e reduciu nun terzo a súa facturación, con 380 millóns menos.
A cidade de Vigo acollerá mañá unha manifestación en defensa do sector naval que, segundo valoran desde a organización convocante, a Confederación Intersindical Galega (CIG), "leva anos esmorecendo e camiñando cara á irrelevancia industrial". Os tres principais estaleiros privados da ría de Vigo ─Barreras, Metalships e San Enrique (antiga Vulcano)─ están practicamente sen carga de traballo, o que tamén afecta as auxiliares, e as condicións laborais no sector son "cada vez de maior precariedade", lamentan desde a CIG. En 2021, segundo os datos da patronal Asime, o naval galego perdeu 1% dos empregos (traballan 8.037 persoas) e aumentou 3% a súa facturación, até os 801 millóns de euros. Porén os estaleiros perderon a primeira posición a nivel estatal ao reducir a súa carteira de pedidos a 14 unidades, con sete novos contratos asinados, o que evidencia que o sector "está a perder capacidade de forma preocupante", alertan desde Asime. No período 2019-2021, perdéronse máis de dous mil postos de traballo no sector na Galiza, xa que antes desa data superábase a barreira dos 10.000 empregos. En 2019 a caída foi de 20,8% e de 6% en 2020. No que atinxe á facturación, pasouse dos 1.180 millóns de 2019 aos 801 de 2021 (-32%). O naval vigués propón crear un 'holding' con participación pública "O sector enfróntase a retos moi importantes ligados á transición enerxética e á competitividade industrial, no que vai xogar un papel esencial a capacidade produtiva da nosa industria en áreas como a construción e reparación naval, a eólica mariña ou a innovación en buques. É importante que recuperemos esa capacidade naval, que se viu fortemente diminuída nos últimos anos", reivindica o seu secretario xeral de Asime, Enrique Mallón. Entre as receitas para dar a volta a esta delicada situación, segundo a patronal, estaría recuperar a actividade de construción naval nos estaleiros privados de Vigo e apostar de forma decidida polos compoñentes para a eólica mariña. Cambios para a esperanza O pasado mes de abril, o estaleiro público de Navantia Ferrol acollía o acto de corte de chapa que daba inicio á construción da primeira das fragatas do programa F-110 da Armada española. Porén, o presidente do comité do estaleiro público, Emilio García Juanatey (CCOO), asegurou que este contrato só lles garante "50% da carga de traballo" dos últimos trinta anos nun contexto no que se necesita "outro tanto para poder manter a industria auxiliar que temos". Nesta mesma liña, o secretario de política sindical de FICA-UXT, Felipe López, indica a Nós Diario que a falla de carga de traballo nos estaleiros públicos nos últimos anos (desde a marcha do último buque para a Armada australiana) supuxo a destrución de 90% do emprego, "fundamentalmente o asociado ás empresas auxiliares". No sector privado, denuncia que a venda de Barreras a Armón só garante a continuidade de 20 empregos dos máis de cen que había no estaleiro, o que afonda na destrución de postos de traballo no sector. Ante esta situación, López avoga por usar os fondos estatais para o naval para crear emprego nas auxiliares, as máis castigadas pola situación da industria naval, "con máis I+D+i e novos proxectos de alto valor engadido".
PRAZA_5534
Que ocorreu para que unha cidade aparentemente aberta dese esta reviravolta? Desenvolveuse un proceso movido de enriba cara abaixo, dirixido polas elites españolas favorecidas polo capitalismo castizo do BOE e desenvolvido polos seus voceiros mediáticos e políticos para concentrar en Madrid o poder económico e político, converténdoa na única capital financeira do Estado e do seu Ibex 35
O Madrid da postmovida era aberto, acolledor e liberal. Chamarse Roser, Koldo ou Xoán era un plus para gañardes a curiosidade amábel da contorna. Cando no teléfono do pasillo dun colexio maior falabas en galego, euskera ou catalán coa túa familia ou con amigos da terra, os teus compañeiros da Castela ou Extremadura ollaban con complicidade e simpatía. Gostaban as letras en galego de Antón Reixa cos Resentidos e as de Serrat en catalán e o cinema e as equipas futbolísticas vascas. Políticos nacionalistas como Pujol, Roca, Garaikoetxea, Mariñas, Bandrés ou Camilo Nogueira eran respectados e escoitados. O Madrid da postmovida era aberto, acolledor e liberal. Chamarse Roser, Koldo ou Xoán era un plus para gañardes a curiosidade amábel da contorna Esta realidade mudou totalmente nestes 20 últimos anos. Falar galego polo móbil nun taxi ou nun bar madrileño é unha experiencia que se desenvolve moitas veces nun clima de silente estrañeza e hostilidade. Cos antigos compañeiros de carreira e amigos de alí xa non se pode falar de política nin de temas conexos. Todos profesionais ben formados, asumiron porén o discurso unánime dos seus media e acreditan que aquí non se pode estudar case en castelán, que o himno galego é inxurioso ou que falamos galego por amolar. Esta realidade mudou totalmente nestes 20 últimos anos. Falar galego polo móbil nun taxi ou nun bar madrileño é unha experiencia que se desenvolve moitas veces nun clima de silente estrañeza e hostilidade Que ocorreu para que unha cidade aparentemente aberta dese esta reviravolta? Desenvolveuse un proceso movido de enriba cara abaixo, dirixido polas elites españolas favorecidas polo capitalismo castizo do BOE e desenvolvido polos seus voceiros mediáticos e políticos para concentrar en Madrid o poder económico e político, converténdoa na única capital financeira do Estado e do seu Ibex 35, dotándoa dun aeroporto que se pretendía única porta co exterior e dun AVE radial, que condenaba á secundarización dos eixos ferroviarios naturais atlántico, cantábrico e mediterráneo. Son estas elites as que definen os chamados intereses de España. Intereses nos que non entran nunca os intereses galegos na agrogandaría, pesca, construción naval, sector enerxético ou novas tecnoloxías. Que ocorreu para que unha cidade aparentemente aberta dese esta reviravolta? Desenvolveuse un proceso movido de enriba cara abaixo, dirixido polas elites españolas favorecidas polo capitalismo castizo do BOE Fronte este discurso dominante, o galego, catalán ou vasco que defende a súa identidade propia e os intereses económicos de cadanseu país percíbese como un "Outro". Son-somos- os "Estraños en Madrid" , dos que escribiu Iñaki Anasagasti nun libro editado hai xa tres anos e que, porén, mantén grande actualidade.
NOS_20970
O proceso apresentado visa construír un axente "nacional, plural, amplo, sen exclusións, democrático, popular e feminista". Vídeo no interior.
Comités, Liga e Agir, presentaron esta cuarta feira (2 de setembro) o "proceso de unidade" co que visan constituír unha única organización estudantil. Unha "nova vía", sinalaron en comparecencia de imprensa, para "representar o estudantado galego" que vén a dar continuidade aos "actos, actividades e mobilizacións" que durante os últimos cursos académicos viñeron convocando de maneira conxunta. Porén, segundo sinalaron, o proceso iniciado non queren que se reduza ao ámbito das tres formacións estudantís "senón que sexa un proceso aberto no que se xunten estudantes de ensino medio, universitario e de Formación Profesional" cara á un movemento estudantil "plural" na que "caibamos todas". "Queremos un ensino que non nos ensine a ser precarias ás que temos menos recursos" O obxectivo, explicaron, é sentar as bases dunha "organización nacional" que teña como "marco de actuación e pensamento" a Galiza, "plural", "ampla", "sen exclusións", "democrática", "popular" e "feminista" que sirva ao estudantado galego como "ferramenta" para conquerir "un modelo de ensino máis xusto", "antipatriarcal" e "a favor da maioría social". Un "modelo de ensino", subliñaron, que estea "adaptado ás nosas necesidades", a comezar polo estabelecemento dunha "única universidade enraizada no país". "Queremos un ensino que non nos ensine a ser precarias ás que temos menos recursos", afirmaron. Para dar pulo ao proceso de unidade iniciarán "asembleas de base" que dependendo das circunstancias se artellarán por centros, localidades ou comarcas "nas que se debaterán as bases e liñas da nova organización". Un proceso "aberto" de "debate" que culmine, neste curso académico, cunha organización alicerzada no "soberanismo, a cuestión de clase e o feminismo".