ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_31769 | Considera que as referencias do Borbón a que "ninguén axite vellos rancores ou abra feridas fechadas" é unha declaración "contraria aos dereitos das vítimas do franquismo". | A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica presentou unha queixa perante a Oficina do Defensor del Pueblo por algunhas das afirmacións realizadas por Felipe VI no seu discurso de Noiteboa por entender que eran contrarias ao dereito das familias dos 114.226 desaparecidos polo franquismo. A asociación indica en concreto que esa frase do monarca español foi a de "son tempos para afondar nunha España de brazos abertos e mans tendidas, onde ninguén axite vellos rancores ou abra feridas fechadas". A mensaxe de Felipe VI tivo un 57% de cota de pantalla, a peor porcentaxe dos últimos 18 anos ARMH afirma que esas declaracións son "contrarias aos dereitos de las vítimas do franquismo" e que foron expresadas "cun carácter político que non lle corresponde a un xefe do Estado non electo e que ten o deber de representar toda a sociedade". Nun comunicado, incide na necesidade de "corrixir a dupla moral das institucións" coa que se "protexe e garante" os dereitos das vítimas do terrorismo mais non o das vítimas do franquismo, a quen se lles acusa de "vellos rancores" e abrir feridas fechadas". A ARMH anunciou tamén que ía remitir á Casa Real informes da ONU sobre as foxas e desaparecidos no Estado español baixo o franquismo. |
NOS_14618 | O premio naceu coa meta de promover a creación literaria entre as e os menores de 35 anos na Galiza. | A Editorial Galaxia vén de convocar unha nova edición do Premio Illa Nova de Narrativa que este ano fará cinco anos no panorama galego. A este galardón, cuxa orixe está vinculada a "estimular a creación" de obras na Galiza, poderán presentarse todas as persoas menores de 35 anos que así o desexen, mais o requisito é que os orixinais estean escritos en galego Fontes da editorial lembran que este recoñecemento naceu para fornecer literatura escrita por menores de 35 anos e que parte daquela colección Illa Nova que saíu do prelo en 1957 e que incluíu volumes dunha nova xeración na que se atopaban María Xosé Queizán, Carlos Casares, Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Camilo Gonsar ou Bernardino Graña, entre outros. É dicir, foi onde se expresaron as escritoras que deron luz á "Nova Narrativa Galega". Até o 1 de abril As e os interesados deben achegar pezas orixinais e inéditas. A extensión mínima é de 80 páxinas -tamaño DIN A-4, en tipo de letra Times New Roman e corpo 12- a dobre espazo e por unha soa cara. As pezas se enviarán, con lema e pseudónimo, e outro sobre no interior dese cos datos (incluída fotocopia do DNI), ao enderezo Avenida de Madrid, 44, baixo, 36204 de Vigo. Indicarase que van dirixinas ao "Premio Illa Nova de Narrativa". O prazo de recepción remata o próximo 1 de abril. A escritora ou escritor do libro gañador recibirá 3.000 euros e verá publicada a súa obra por Galaxia. A decisión do xurado coñecerase nun acto que terá lugar en maio en Vigo se as condicións sanitarias o permiten. As gañadoras das catro edicións previas foron Vanesa Santiago, con A vida sinxela de Marcelo Firmamento e unha reinterpretación das historias de viaxes, e Antía Yáñez, que deu visibilidade á violencia machista en Senlleiras. Na terceira edición Abel Tomé logrou estar por enriba das obras competidoras con A noite do lobo, "na que nada sobra e coa que logra construír imaxes contundentes". A última premiada foi Lara Dopazo por O axolote e outros contos de bestas e auga. O xurado elixiu a candidatura por integrar "un conxunto de relatos orixinais, diversos e de grande altura estética". |
NOS_57052 | A empresade enerxías renovábeis Norvento suma 128 megavatios eólicos á súa carteira. | A galega Norvento vén de anunciar a finalización da construción e posta en operación de seis novos parques eólicos situados nos concellos de Abadín, A Pastoriza, Mondoñedo, Riotorto, Trabada, A Pontenova e Lourenzá, cos que a compañía evitará a emisión de 4 millóns de toneladas de CO2 nos vindeiros 25 anos. Segundo indicou a empresa nun comunicado, os parques, denominados Neda, Sasdónigas, Sasdónigas II, a Pastoriza, Cadeira e Carracedo, xa están a verter enerxía á rede. Norvento cumpriu así cos prazos marcados para a súa tramitación desde a adxudicación dos proxectos na poxa do Ministerio de Transición Ecolóxica (entón de Enerxía) de 2017. Os oito parques suman unha potencia instalada de 128 megavatios (MW) e producirán a enerxía equivalente ao consumo eléctrico dun concello de 90.000 habitantes. Con estes novos desenvolvementos, a carteira eólica de Norvento chega até os 242 MW no Estado español, aos que hai que engadir os 800 MW que está a desenvolver noutros territorios. Novos proxectos O director xeral de Norvento, Iván Nogueiras, amosou a súa satisfacción por "ter cumprido en prazo e coas máximas esixencias de calidade e eficiencia coa folla de ruta marcada en 2017 tras a poxa eólica". "Concluída esta etapa, agora seguiremos a traballar para o desenvolvemento de futuros novos proxectos, tanto no negocio de xeración centralizada como en autoconsumo e xeración distribuída con renovábeis". A construción e posta en operación destes novos oito parques, ademais das vantaxes para o medio ambiente no que a redución de emisións se refire, suporán numerosos beneficios para os municipios que os acollen, cunha estimación de 19 millóns de euros para as administracións locais e autonómicas en taxas e impostos. |
NOS_40295 | Coa chegada de 2017, ano en que o semanario fai o seu quinto aniversario, o Sermos en papel regresou aos quiosques e á loxa con novidades: máis contidos na sección cultural Fóra de Serie e unha dupla capa para que as lectoras e lectores decidan por onde comezar o periódico. | O semanario Sermos Galiza, nos quiosques e na loxa desde a quinta feira, 5 de xaneiro, encetou o 2017 con importantes novidades. E é que o Sermos en papel comezou o ano en que fai o seu quinto aniversario cunha dupla capa: a tradicional e a contra, que é a primeira da sección Fóra de Serie, obra dun dos máis salientábeis deseñadores do país, Pepe Barro, que ideou a renovación do semanario en 2016. Desta maneira, son as lectoras e lectores quen deciden por onde comezan o periódico. Tanto ten que se abra por un lado ou polo outro, sempre estará do dereito! Novidades no Fóra de Serie Mais a dupla capa non é a única novidade. A sección cultural, Fóra de Serie, chega con novos e máis contidos. Todas as semanas incorporamos unha entrevista a dupla páxina a unha figura de interese. No número 228 estreamos a conversa co científico Jorge Mira. Aliás, este ano, o Fóra de Serie sumará contidos de historia galega, para coñecermos aqueles episodios que nos foron ocultados; de fotografía, a cargo do fotógrafo Alberte Sánchez; de banda deseñada, a cargo do especialista Xulio Carballo; de cooperativismo na cultura; asinados por Iolanda Gomis ou de efemérides, asinados por Xoán Costa; así como a peza Con pés de la, sobre expresións galegas, de Rosa Conde Vieiro. O Fóra de Serie deste 2017 tamén fará as delicias dos padais máis exquisitos grazas ás receitas que veñen da man de Merche Espiño. Aliás, contaremos coa colaboración do Museo do Pobo Galego para debullar obras representativas e dos máis interesantes museos etnográficos do país. Todo isto se sumará ás seccións que vén incorporando o Fóra de Serie desde a súa estrea: Botar un ollo (sobre deseño), de Pepe Barro; Mapa de bits (sobre innovación e tecnoloxía), de Iago Varela; Eira das Mouras (sobre etnografía e patrimonio), de Felipe Senén; De Memoria (memoria galega), coordinada por Carme Vidal ou Banda Deseñada, coordinada por Kiko Dasilva. Continuarán as seccións sobre teatro, a cargo de Manuel Xestoso, as críticas de literatura, a cargo de Mario Regueira, e mais a de cinema, a cargo de Andrés Castro; a sección de novidades editoriais coordinada pola AELG ou a de literatura infantil e xuvenil, que asina Mónica Pazos. E moito máis, pois non perderemos de vista a actualidade cultural que ferve no país! Alén disto, o Sermos Galiza en papel, dirixido por María Obelleiro, incorpora unha interesante sección chamada A ollo nu, na que Xoán Costa tira de hemeroteca para recuperar episodios salientábeis das últimas décadas recollidas na prensa galega. Lembra que podes subscribirte desde a esta ligazón ou chamando ao 881959597. |
NOS_18636 | Fruga pide ás administracións que actúen para conter o impacto da suba de prezos nas granxas; do contrario, chamará á mobilización. | A Federación Rural Galega (Fruga) alerta de que os continuos aumentos dos custes de produción, que atribúen a unha "operación especulativa", están a pór "ao bordo da desaparición" unha parte importante das explotacións galegas. Como explican nun comunicado, o importante aumento das cotizacións dos cereais dos últimos días, coa "escusa" do conflito que se está a vivir en Ucraína, "supoñen un elevado risco de desaparición dunha parte moi importante das explotacións agropecuarias galegas". "Practicamente desde o ano 2018 estamos a comprobar como se disparan os custes de produción das nosas explotacións, con importantes aumentos tanto do gasóleo, da electricidade, dos adubos, plásticos, e sobre todo das materias primas destinadas á elaboración das racións para alimentación animal", denuncia o sindicato. "Na última cotización da lonxa de León, a do pasado día 9 de marzo, vimos de comprobar unha importante suba dos prezos dos cereais; o trigo subiu 20%, a cebada 15%, mais tamén o millo, que aínda que non consta a cotización da sesión anterior, nesta do día 9 andaba polos 340 euros por tonelada, e mesmo circulan informacións que xa o sitúan en case os 600 euros, e todo indica que o resto de insumos agrícolas continuarán disparados e se couto", lamentan. Custos enerxéticos Xunto a esta problemática, os gandeiros galegos din asistir "asombrados" ao "saqueo" polos elevados prezos da electricidade, mentres as grandes eléctricas do Estado español "enchen os petos" das súas directivas, mais tamén dos combustíbeis, que subiron de media 40% no último ano, "sendo o caso do gasóleo agrícola máis escandaloso ao pasar de 0,80 euros a 1,40, é dicir un aumento de 75%", critican desde a Fruga. Na súa opinión, tras desta "desenfreada e desmesurada" suba dos custes de produción atópase "unha grave operación especulativa" fraguada desde 2018 "que fai ricos a uns poucos e empobrece ás maiorías sociais". Por iso, reclaman das administracións "unha intervención pública que evite este fenómenos especulativos nas materias primas destinadas a produción alimentar" e axudas para as explotacións afectadas. "Non é de recibo que se xogue coa alimentación humana, cando debe ser un dereito universal, ao que todas as persoas temos que ter acceso". Do contrario, advirten, "chamaremos a unha mobilización do sector agropecuario nos próximos días". |
NOS_16079 | O festival de contidos dixitais serve de punto de encontro entre empresas e creadoras | Este ano, a capital da comarca de Bergantiños, convertida durante uns días en epicentro dos contidos dixitais, tecerá rede con Portugal, que asiste como país convidado. A VII edición do Carballo Interplay, que se celebrará de 2 a 4 de abril baixo a dirección de Sonia Méndez, virá con encontros profesionais de representantes de cadeas e plataformas portuguesas, como RTP Lab ou Canal 180, así como doutras empresas estatais, como Playz, Flooxer e Globomedia, para alén da TVG. Coa colaboración do Cluster Audiovisual Galego, participarán no Día PRO responsábeis da Academia Portuguesa de Cinema e de produtoras lusas, como BeActive, Promenade, Comicalate, Videolotion, Souza Filmes ou Pergunta Exótica. Será a sexta feira 3 de abril no Pazo de Cultura de Carballo. O obxectivo é conectar as creadoras coas principais plataformas e produtoras que apostan actualmente polos contidos dixitais. A xornada dividirase en dúas partes: pola mañá haberá presentacións e debates, mentres que pola tarde se estabelecerá un punto de encontro para que creadoras, produtoras e plataformas intercambien ideas para posíbeis colaboracións futuras. Ademais, seguindo a liña de conexión con Portugal, Rogério Gomes contará como a Rádio e Televisão de Portugal (RTP), como servizo de medios públicos, procura estimular a creatividade e a innovación de forma pioneira coa creación do RTP Lab, un laboratorio creativo e experimental que produce contidos pensados para un soporte multiplataforma. Con este fin, o RTP Lab abriu unha convocatoria dirixida a todo o público na procura de produtos de ficción e humor que utilicen novas formas de narrativa en eidos exclusivamente dixitais. O resultado son varios proxectos que xa empezaron a ver a luz e que se darán a coñecer como mostra no Interplay. Webserie en galego O festival de contidos dixitais Carballo Interplay continúa a actuar como impulsor da creación dixital co Premio a proxectos de webserie en galego, que, despois de resolver de maneira insólita por dúas das candidaturas na pasada edición, dá nesta ocasión un salto cualitativo duplicando a súa dotación económica. Destinará así 3.000 euros á produción de tres capítulos do proxecto escollido. A convocatoria está aínda aberta á presentación de iniciativas, das que as finalistas se enfrontarán a un pitching en directo a quinta feira 2 de abril. A que consigue o financiamento estrearase na oitava edición do Carballo Interplay, o vindeiro ano. Seguindo esta dinámica, ese mesmo día proxectaranse as gañadoras da última edición do festival, Amnesia 3.0 e Xan. |
NOS_4210 | Máis un número e ben completiño: entrevistas a Manuel Rivas e embaixador de Venezuela no Estado, as redes sociais como arquitectas de identidade, tomamos o pulso político a 'Nós' e 'En Marea'... Todo isto e máis, xa na nosa loxa. | O número 172 do semanario Sermos Galiza xa está na rúa. A rescisión de contrato pola Xunta a dúas empresas de catering que fornecían centros de ensino e as reiteradas queixas sobre a comida servida en hospitais como o HAC de Vigo, poñen no albo un servizo que durante os anos de goberno de Feijóo encetou un proceso de privatización acelerada. Unha cuestión que analizamos na reportaxe 'O negocio posto en bandexa'. En 'Máis consenso que primarias' falamos do proceso de configuración da candidatura de 'En Marea', na que concorreu unha única proposta elaborada polas organizacións políticas que asinaron a coligazón electoral. "Quixemos priorizar o encontro entre os sete espazos", manifesta Rubén Pérez, de Esquerda Unida. Tamén falamos dos grupos de traballo que están en marcha para elaborar o programa co que a coligazón 'Nós-candidatura galega' concorre a estas eleccións. A proposta de programa electoral deberá ser sometida a unha votación telemática por parte das persoas con dereito a voto. Contámoscho en '6 grupos de traballo para un programa colectivo'. Facebook, Instagram ou Youtube estanse a converter en importantes espazos de socialización para a mocidade. Que impacto social ten isto? Unha pregunta que tentamos responder en 'Redes sociais, arquitectas de identidades para adolescentes'. Malia ser o segundo territorio, só por detrás de Catalunya, en produción cunícola, o sector atravesa unha fonda crise en Galiza, debido a que os produtores perciben menos importe na venda dos seus coellos e pagan máis polos pensos que consomen. Unha situación que tamén abordamos neste número 172. En 'O mundo imaxinario de Francisco Conde' testamos coa realidade as afirmacións do conselleiro de Industria de que as gradas de todos os esteleiros galegos están ocupadas. A realidade, en termos absolutos, é que o sector naval galego xa non é a referencia no Estado español. Embaixador venezuelano: "Reclamamos a Europa que esqueza a visión colonial" Entrevistamos Mario Ricardo Isea Bohórquez, embaixador de Venezuela no Estado español. Isea, enxeñeiro químico de profesión, ocupou en 2013 o posto diplomático, tras desempeñar importantes cargos no Partido Socialista Unido de Venezuela e ser un dos membros que redactou a Constitución bolivariana en 1999. "Cando se pon en dúbida o carácter democrático do noso país, sentimos que se nos agrede". Tamén neste número acudimos á nosa cita con 'Lugo é letras'. Desta vez o escritor e investigador Armando Requeixo mantén unha entrevista 'contrafactual' con Álvaro Cunqueiro, tirando as respostas do mindoniense de declaracións reais que fixo na súa vida. E en 'A casa dos estudantes do Império' falamos deste berce da independencia das colonias africanas de Portugal. "A ditadura de Oliveira Salazar criou, em 1944, para mais facilmente controlar e pôr sob vigia os estudantes africanos que chegavam a Lisboa, a Casa dos estudantes do Império. E o tiro saiu-lhe pela culatra", cóntanos Xoán Costa. E en Viaxes na Miña Terra o colectivo Xea lévanos pola Lagoa de Castiñeiras e Cotorredondo. Na contra-capa, dous documentarios. Os dous feitos na Galiza. E ambos os dous seleccionados como candidatos para optaren aos Premios Goya 2016 cos que a Academia de Cinema española galardoa anualmente os mellores filmes. Manuel Rivas: "A imaxinación é o lévedo da realidade" Publicamos un avanzo editorial de 'O último día de Terranova', o libro de Manuel Rivas que está a saír do prelo. E falamos co escritor coruñés, que confesa que "Galiza está fóra de xogo politicamente". E tamén nos conta que "a imaxinación é o lévedo da realidade". |
PRAZA_3050 | A AC Alexandre Bóveda lanza unha web que busca construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual sobre a memoria feminina da cidade da Coruña. Dende as cigarreiras, ás lavandeiras, pasando polas artistas, científicas, futobolistas ou a primeira camioneira do Estado | A historia de calquera cidade, vila ou aldea foi feita polas mulleres. Case sempre de maneira invisible, sostendo os fogares e traballando ademais fóra da casa. No campo, no mar, labregas, redeiras, lavandeiras..., coidando a comunidade e transmitindo saberes. Pero na cidade da Coruña a pegada das mulleres fíxose evidente dende moi cedo mesmo na industria, a través da Fábrica de Tabacos na que chegaron a traballar máis de catro mil obreiras, que ademais levaron a cabo en 1857 a primeira folga de mulleres de Galicia.A AC Alexandre Bóveda impulsa o proxecto A Coruña das Mulleres, unha web que busca construír, de modo colectivo, un fondo documental sobre a memoria feminina da cidade da CoruñaA Asociación Cultural Alexandre Bóveda vén de presentar o proxecto A Coruña das Mulleres, unha web que busca construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual sobre a memoria feminina da cidade da Coruña, e que conta co apoio da Deputación e do Concello. Na páxina fálase de distintos colectivos: cigarreiras, artistas, lavandeiras, mestras republicanas, as xogadoras do Ártabro Hóckey Club ou as do Karbo F.C., que foron campioas de España de fútbol nos anos 80, abrindo camiño para o actual crecemento do balompé feminino. Hai tamén un gran número de biografías individuais, mulleres pioneiras, traballadoras ou represaliadas, como Amparo López Jean, Elvira Bao, Celia Brañas, Carmen Arias de Castro "Mimina", Isabel Zendal, Luísa Villalta, María Wonenburger, María Luz Morales, Teresa Herrera, María Barbeito ou María Casares, entre moitas outras.Están tamén Celia Rivas, a primeira muller camioneira no estado español, nada en 1912 en Fisterra e que con apenas 19 anos chegou á Coruña para sacar o permiso para conducir camións. Ou Milagros Rey Hombre, a primeira arquitecta colexiada na Coruña, que foi tamén a primeira arquitecta municipal e que tivo un papel fundamental no deseño actual da cidade. Ou Irene González Basanta a primeira muller que xogou ao fútbol nos anos vinte do pasado século, e que chegou a ter un equipo que leva o seu nome, o Irene Football Club"É imprescindible traballar para a visibilización das diferentes contribucións das mulleres, atendendo de modo específico ás clases traballadoras""Desde a AC Alexandre Bóvedra levamos moito tempo denunciando a exclusión das mulleres do relato histórico e da memoria oficial. É imprescindible traballar para a visibilización das diferentes contribucións das mulleres, atendendo de modo específico ás clases traballadoras", sinalan dende a entidade, que explica que dende hai uns meses conformouse un grupo de traballo que investiga e achega información sobre o papel das mulleres na historia da Coruña. "O proxecto está comezando", explican, a tempo que solicitan a colaboración de todas as persoas que poidan estar interesadas na iniciativa."Queremos visibilizar as partes que quedan normalmente ocultas e poñer nomes e apelidos a estes procesos, recollendo testemuñas directas ou case directas de persoas que estiveron en contacto con estas mulleres", conta Carmela Galego, unha das impulsoras do proxecto. "Deste tecido social quedan testemuñas no espazo físico da cidade [por exemplo as fontes, os mercados ou os poucos lavadoiros que se conservan] pero non é unha testemuña que sexa evidente", di."Queremos visibilizar as partes que quedan normalmente ocultas e poñer nomes e apelidos a estes procesos, recollendo testemuñas de persoas que estiveron en contacto con estas mulleres""Non é doado chegar a coñecer o que sucedía neses espazos nin ás mulleres que alí estaban", sinala. "Por iso mesmo queremos que sexa colectivo. Queremos chegar a todos os recunchos para que poidan entrar na historia escrita", remata. Dende o proxecto estase á procura de persoas que poidan achegar información, imaxes ou testemuñas sobre a actividade das mulleres nestes e outros ámbitos.A páxina ten unha estrutura semellante á web Do gris ao violeta, que dende hai uns anos funciona en Pontevedra e parte da súa información procede do Dicionario de Mulleres Galegas de Aurora Marco e do Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega. Nestes momentos, pode verse tamén unha pequena mostra expositiva no Ágora con varios paneis que nos vindeiros meses se moverán por outros espazos da cidade."Queremos chegar a todos os recunchos para que poidan entrar na historia escrita"Nos últimos anos foron varias as iniciativas que veñen traballando na recuperación das mulleres na Coruña. Nos últimos 8 de marzo, dende o Concello impulsouse a realización de conferencias, exposicións ou roteiros, coma os que nos anos 2017 e 2018 destacaron o papel de cigarreiras, lavandeiras, redeiras ou pescantinas.As lavandeiras"O que máis nos interesa é investigar, escoitar, descubrir aquelas voces que aínda lembran historias que contan os traballos das mulleres", sinalan. Historias, por exemplo, coma a das lavandeiras que en 1907 se organizaron no sindicato de oficios "La Heterogénea", de ideoloxía anarquista, formando unha asociación chamada El Alba de lavanderos e lavanderas. Coa forza da unión, marcaron novas tarifas para o seu duro traballo, mais, como non foron aceptadas, no día 1 de xuño de 1907 puxéronse en folga, que se prolongou durante quince días."Tiñan os lavadoiros un algo de escenarios liberadores en que as lavandeiras podían conversar, rir, cantar e afianzar vínculos de solidariedade para aliviar as penurias da súa vida diaria"Dende a AC Alexandre Bóveda destácase a función dos lavadoiros "como espazo de experiencias compartidas, onde se intercambian coñecementos sobre a crianza, a sexualidade ou a organización da vida doméstica" e para a xeración entre elas de sororidade, "un vínculo para se recoñeceren e se defenderen unhas a outras da opresión", como tamén lembraba Encarna Otero nesta entrevista."Tiñan os lavadoiros un algo de escenarios liberadores en que as lavandeiras podían conversar, rir, cantar e mesmo fumar, a afianzaren vínculos de solidariedade e compañeirismo que até certo punto permitiron aliviar as penurias e sacrificios que enfrontaban na súa vida diaria", destácase dende AC Alexandre Bóveda.A web tamén recolle unha crónica xornalística, publicada en 1927 por El Correo Gallego, que é unha boa mostra desa axuda mutua e autodefensa que se creaba entre as mulleres que lavaban xuntas: "Un vecino de Betanzos, conocido por Arturito, estaba celoso de su novia […] no encontró mejor cosa que para llamarle la atención que dirigirse al lavadero público, donde ella estaba lavando, y empezar a regañarle, intentando maltratarla. Nunca tal hiciera, pues las lavanderas todas le dieron tal cantidad de bofetadas y arañazos, que le pusieron la cara hecha un mapa".En xaneiro de 1918 centos de mulleres decidiron asaltar tendas e lonxas e repartiron os alimentos que requisaron, dicíndolles aos homes: "Fóra! Aquí bastamos nós!"Na web tamén se recollen as historias das Revoltas das Mulleres, os movementos populares de protesta que tiveron lugar en Galicia no século XIX e no comezo do XX e nos que o protagonismo foi das mulleres, como a Revolta das Pedradas de 1918 en Neda e Narón. Xa en 1917 houbera 170 mulleres detidas só na cidade da Coruña por mor das protestas contra a carestía dos alimentos e en xaneiro de 1918 centos de mulleres decidiron asaltar tendas e lonxas e repartiron os alimentos que requisaron. A prensa da época recolle que centos de mulleres participaron nunha manifestación pola rúas da cidade, rexeitando a participación dos homes con berros de "Fóra! Aquí bastamos nós!". |
PRAZA_10708 | O devalo demográfico é un dos principais problemas do país e as administracións publicitan todo tipo de facilidades. Durante as cinco fins de semana de agosto contamos os trámites, trabas e dúbidas a que se enfronta unha familia acabada de nacer na súa relación coas administracións. No primeiro capítulo, as axudas ao nacemento. | O devalo demográfico é un dos principais problemas do país. Durante as cinco fins de semana de agosto contamos os trámites, trabas e dúbidas a que se enfronta unha familia acabada de nacer na súa relación coa administración. No primeiro capítulo, as axudas ao nacemento.36 horas despois de nacer, o bebé entraba pola porta da casa. Aí comezou todo.O devalo demográfico é un dos principais problemas do país, o territorio do Estado no que máis diminúen os nacementos, que veñen de acadar un novo mínimo histórico, e as administracións estatal, galega e local publicitan todo tipo de facilidades. Durante as cinco fins de semana de agosto contaremos os trámites, trabas e dúbidas a que se enfronta unha familia acabada de nacer na súa relación coa burocracia. Unha en concreto, a deste xornalista, que puido ter boa ou mala sorte nun ou noutro trámite, e polo tanto non é representativa da totalidade, pero si pode dar pistas de por onde van as cousas.Din que é habitual que as nais e pais, especialmente os primeirizos, se decaten só tras o parto de que é nese momento cando cambia a súa vida e non durante a longa preparación que é o embarazo. Porén, xa durante a espera se poden ir dando pasos para que o bebé teña un recibimento o máis cómodo posible. Unha das principais novidades dos últimos anos é a denominada Tarxeta Benvida, unha axuda económica directa da Xunta de 100 euros ao mes durante o primeiro ano, ampliable en determinados casos, creada en 2016 e que desde este 2019 se pode ir pedindo desde antes de que naza o neno. Supostamente.A Tarxeta BenvidaA Tarxeta Benvida, limitada a familias con rendas inferiores a 45.000 euros, pode empregarse para mercar produtos para bebés que a Xunta non concretaA Tarxeta Benvida comezou a funcionar en 2016 despois de que o PP criticase unha figura similar anterior, o coñecido como chequé bebé, unha axuda directa non contributiva implantada polo Goberno central de José Luis Rodríguez Zapatero de 2.500 euros por cada nacemento ou adopción, que estivo en vigor desde xullo de 2007 ata que a crise o levou por diante en decembro de 2010. A diferenza do cheque bebé, a Tarxeta Benvida da Xunta ten en conta a renda familiar, tanto para a súa concesión (á que non poden acceder as familias con máis de 45.000 euros brutos de renda anual, ou 13.500 por membro da familia), como para posibles aumentos en tempo ou cartos, pero a súa modalidade básica e máis estendida é de 100 euros ao mes durante o primeiro ano. Son cartos que se poden gastar en calquera establecemento, a través dunha tarxeta precargada, para mercar cueiros, berces, carriños, roupa ou comida para bebés, di a Xunta, pero sen quedar claro ata onde chega ese límite de produtos incluídos nin os establecementos habilitados. Hai ata grupos en Facebook de pais e nais que discuten sobre o que se pode ou non mercar, ou se indignan porque a Xunta lles pediu que devolvesen tal ou cal cousa por non estar incluída.En anos anteriores había que agardar a que o bebé nacese para solicitala, pero este ano pode iniciarse a tramitación antes. Así que como o parto se estimaba que ocorrese a comezos de marzo, un mes antes formulouse a petición. Xa bastante teremos despois do parto como para andar con estes trámites, mellor deixalos xa feitos antes.A Xunta pide que as solicitudes da Tarxeta Benvida se fagan "preferiblemente por vía electrónica", pero como teñen que asinalas os dous proxenitores e o sistema non o permite facer dixitalmente, hai que imprimir, rubricar manualmente e escanear o documentoA orde que establece estas axudas di que as solicitudes deben presentarse "preferiblemente por vía electrónica", malia que aínda son poucas as persoas que contan cos certificados dixitais instalados nos seus ordenadores que permitan empregar a por outra banda complexa sede electrónica da Xunta, na que os procedementos ás veces tornan analóxicos. No caso da Tarxeta Benvida, como no caso do resto de axudas destinadas a menores, ademais do proxenitor que presente a solicitude, que pode rexistrala dixitalmente co seu propio DNI electrónico, o formulario tamén debe contar coa sinatura do outro proxenitor. E para iso a única opción é imprimir a solicitude, asinala físicamente e escaneala. Non hai opción de que o segundo proxenitor, aínda que conte tamén con DNI e certificado electrónico propio, os empregue na mesma solicitude. O sistema non o permite e así o confirman no teléfono 012 de atención á cidadanía da Xunta.Así que perdido certo tempo neses preliminares, e postos a ter que imprimir os documentos, optamos por presentalos xa fisicamente nun rexistro oficial da Xunta. Si, non cumprimos co de "preferiblemente por vía electrónica", pero é que, como se verá nunha posterior entrega desta serie de reportaxes, sobre outro tipo de axudas, hai funcionariado que che di que mellor que non, que por vía electrónica transpapélanse os arquivos e poden denegarcho, que mellor en papel por rexistro como toda a vida. Se a cousa é antes do parto, o paseo pode mesmo virlle ben á nai, pero se é co bebé xa na casa, non sempre hai un momento adecuado para que un dos dous proxenitores se achegue ata un rexistro da Xunta.No rexistro de San Caetano quedou presentada finalmente a solicitude xunto cun certificado médico da xestación en marcha e unha copia "completa" do Libro de Familia, isto é, das súas 36 páxinas, porque en ningún sitio da Orde no DOG, da sede electrónica da Xunta ou verbalmente no rexistro físico se di que teñan que ser só determinadas páxinas. Non vaia ser.Pedir a Tarxeta Benvida un mes antes do nacemento previsto acabou supoñendo que chegase á casa cinco meses despois, un mes máis tarde do prazo que se dá a Xunta a si mesma e co bebé xa con catro meses de vidaO bebé naceu segundo estaba previsto, un mes máis tarde, a comezos de marzo. Pero aínda pasaría outro mes máis ata que a comezos de abril o proxenitor solicitante da axuda recibise unha chamada telefónica da Xunta preguntándolle se xa se producira o parto. Se así era, tiña que enviar por correo electrónico escaneado o Libro de Familia, agora coa páxina na que se rexistrara o nacemento. Nada na Orde que regula a axuda nin na sede da Xunta advirte aos proxenitores de que ese trámite queda pendente se pide a axuda antes do nacemento. Non tería que ser a propia Xunta a que averiguase se o neno naceu ou non? De feito, o formulario indica que o solicitante autoriza á Xunta a comprobar a "acreditación do nacemento do/da neno/a no caso de solicitudes presentadas durante o período de xestación". Por que agarda un mes para preguntarllo aos pais? Atrasou iso a tramitación da axuda?A última pregunta, sobre o posible atraso da axuda por pedila antes do parto, é importante e retórica ao mesmo tempo. A propia Xunta admite que a concesión das tarxetas benvidas está a tardar máis dos catro meses que como máximo se fixou a si mesma na Orde que as regula. Pero se pasa ese tempo sen ter resposta, o que di esa Orde é que o silencio administrativo é negativo. Isto é, que non che dan a Tarxeta Benvida. E é aí cando á súa vez podes reclamar, pero só se sabes desde cando comezou a contar o tempo para ese silencio administrativo."A nós o novo sistema de solicitude antes do nacemento deunos moito máis traballo, agora temos que facer barridos chamando aos pais a ver se o neno xa naceu ou non", di unha traballadora da XuntaPasados catro meses desde a solicitude, e tras moitas chamadas telefónicas, a maioría non atendidas, no servizo de tramitación da Tarxeta Benvida contestan que a solicitude está concedida pero que aínda tardará en chegar á casa, que confiemos no que nos din verbalmente malia non ter ningún documento que o acredite e que non formulemos ningún recurso malia superarse xa o prazo. E engaden unha queixa. "A nós o novo sistema de solicitude antes do nacemento deunos moito máis traballo, agora temos que facer barridos chamando aos pais a ver se o neno xa naceu ou non".A tarxeta acabou chegando á casa, nunha carta certificada, case cinco meses despois de pedila, un mes máis tarde do prazo que a propia Xunta se fixou a si mesma e cando os proxenitores xa estaban pensando en como tramitar un recurso de reposición contra o suposto silencio administrativo. A propia resolución de concesión da axuda que a acompañaba ratificaba ese incumprimento ao estar asinada máis de catro meses despois da data de inicio do procedemento. A Tarxeta Benvida é unha tarxeta bancaria precargada que chega inicialmente con 100 euros, como se indica na resolución que a outorga, e que posteriormente a Xunta vai recargando ata completar os 1.200 euros ao remate do primeiro ano de vida do bebé. Neste caso, aos catro días chegou unha mensaxe SMS informando de que se engadían á mesma outros 900 euros, ata completar os 1.000 euros outorgados no primeiro ano natural por nacer o neno a comezos de marzo. Quedarían, polo tanto, outros 200 euros pendentes de ingresar en 2020. A resolución do seu outorgamento sinala que a tarxeta "terá un período máximo de vixencia de 12 meses desde o mes de nacemento". Pero o propio plástico reflicte como prazo de validez decembro de 2020. Quedarán cartos sen gastar cando o bebé cumpra un ano?A caixa finlandesaEn Finlandia as caixas irán cheas de ouro, pero en Galicia o máis útil é un paquete de cueiros e outro de toalliñas desbotables, unha parte ínfima dos 200 cueiros e 400 toalliñas gastadas só no primeiro mes por uns proxenitores primeirizosComo a Tarxeta Benvida pode tardar varios meses en chegar á casa, non podes contar con eses cartos para mercar as primeiras necesidades do bebé. Así que xa vas facendo gasto en cousas inmediatas confiando en que eses 1.200 euros pendentes poidan valer máis adiante para mercar cueiros de nenos que xa camiñen, vacinas das non incluídas no sistema público pero que si que che recomendan os pediatras públicos ou roupa da seguinte temporada. Confías en que parte dos gastos inmediatamente posteriores ao nacemento sexan compensados cos produtos de primeira necesidade que entrega a Xunta no hospital tras o parto, no que o Goberno galego publicitou en varios medios como semellante á denominada caixa finlandesa. Confías?En Finlandia esas caixas irán cheas de ouro, pero en Galicia o máis útil delas é un paquete de cueiros e outro de toalliñas desbotables. Hai tamén un peite, uns libriños, unhas mostras de cremas para o cu unha toalliña realizada por unha entidade de inserción social... e unha carta asinada polo presidente Feijóo que enumera algunhas das axudas da Xunta que iremos debullando nesta serie de reportaxes. Pero volvamos aos cueiros e as toalliñas. En total, entre os que veñen nesa "cesta benvida" da Xunta e outras mostras comerciais que xa che van dando as matronas en consultas ou clases preparto, fixémonos cun total de 35 cueiros e 50 toalliñas de regalo. Ollo, cueiros e toalliñas, non paquetes de. Pero só no primeiro mes do bebé, o gasto foi duns 200 cueiros e unhas 400 toalliñas. Si, posiblemente os proxenitores primeirizos gastan máis, e no segundo mes o gasto reduciuse a uns 150 cueiros e unhas 300 toalliñas. Pero xa non houbo máis unidades de regalo.A principal axuda económica que recibe a familia tras un parto ou adopción é a prestación polos permisos de maternidade e paternidade, as coñecidas como baixas da Seguridade Social, que che permiten seguir cobrando o teu soldo pero dedicar o tempo a coidar dun novo ser indefensoNunca están mal 100 euros ao mes e uns poucos cueiros, ou a prestación económica que ofrece o Goberno central para as rendas máis baixas (341 euros anuais para ingresos inferiores a 12.000 euros ou 588 euros anuais para casos de pobreza severa), pero a principal axuda económica que recibe a familia tras un parto ou adopción é a prestación polos permisos de maternidade e paternidade, as coñecidas como baixas da Seguridade Social. Basicamente o que che permiten é seguir cobrando o teu soldo mensual pero dedicar o teu tempo a coidar dun novo ser indefenso. O beneficio económico, neste caso, é nulo, limítase a darche tempo, 16 semanas (non catro meses) no caso das nais, e agora 8 semanas para o segundo proxenitor, tras aumentarse das anteriores 5 semanas o pasado abril e estar prevista unha progresiva igualación futura. Semanas que a Xunta aumenta para o seu funcionariado, non para o resto dos galegos e galegas, e que son máis en determinadas circunstancias, pero que quedan moi lonxe en todos os casos da recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS) de que durante os seis primeiros meses o bebé se alimente en exclusiva de leite materno con lactancia á demanda. Isto é, cando queira o bebé, non cando queiran os horarios laborais.As semanas de prestación, malia o aumento, quedan lonxe da recomendación da Organización Mundial da Saúde de que durante os seis primeiros meses o bebé aleite cando el queira, non cando queiran os horarios laboraisO que hai, de momento, son esas semanas de prestación por parte da Seguridade Social insuficientes para cumprir coa recomendación sanitaria da OMS e cuxa tramitación, xunto co resto de documentos necesarios para que o bebé forme parte da cidadanía, xa son outra historia a contar na...Próxima entrega:Ter un bebé en Galicia (capítulo 2): Cidadanía analóxica para un postmillenial |
NOS_55475 | Máis de 700 páxinas ocupa Camilo Nogueira (Vigo, 1936) en argumentar o seu incensante optimismo a respecto de Galiza. Unha nación no mundo. A razón resistente titúlase o seu novo ensaio, unha pescuda nas raíces do presente que comeza en 1480. | "O texto de Unha nación no mundo abrangue o acontecido no país entre 1480 e 2010", afirma a nota da editorial Xerais remitida aos medios de comunicación. Nogueira, dirixente chave do nacionalismo galego e autor de obras como Para unha crítica do españolismo (2012), inicia o seu traballo na "Galiza do absolutismo", epígrafe da primeira perte da obra. "Malia ter padecido no Antigo Réxime unha dominación perversa, Galiza mantivo os seus recursos vitais e a personalidade diferenciada", sostén o comunicado editorial, "á altura de 1800 contaba coa capacidade precisa para participar nas Revolución Industrial. Era o país máis populosos da Península. Mais, no tempo contemporáneo, o Estado español negou a identidade histórica e cultural do país". O razoamento de Camilo Nogueira debruza polo miúdo esta situación e menciona a eliminación da Xunta do Reino, a forzada emigración ou a marxinación das actividades económicas. Aí comeza o segundo bloque de Unha nación no mundo, A nación política contemporánea. Mais Galiza amosou "a fortaleza dunha sociedade asaltada" e sobreviviu mesmo á ditadura franquista. "Cando caeu o franquismo e participou na Unión Europea, a sociedade galega respirou", aduce, apoiado noutra das liñas de forza do seu pensamento político: a defensa da construción comunitaria europea. Nese interregno, o ex deputado no Europarlamento polo BNG identifica un dos máis graves problemas nacionais, o demográfico. Non obstante, Camilo Nogueira entende que a "economía desenvolvida e particularmente exportadora" da Galiza actual permite "asumir o autogoberno como nación, como nación no mundo, pola historia, polo vigor económico e social e pola extensión universal da propia lingua". |
NOS_54126 | O grupo municipal de Vilar de Santos manifesta que Candidatura Galega "é a única opción que ten os pés, o pensamento e o corazón neste país" | A cabeza de lista de Nós-Candidatura Galega por Ourense, Noa Presas, recibiu en Vilar de Santos o apoio do grupo municipal de Compromiso por Galicia. O alcalde do municipio ourensán, Xan Jardón, selou publicamente o seu compromiso coa alternativa política representada na formación de confluencia, igual que fixeran antes destacados representantes de Compromiso, como Xosé Carballido ou o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña. "NÓS está configurado por unha serie de partidos que levan toda a vida traballando por este país. Tomamos partido por NÓS porque é a única opción que ten os pes, o pensamento e o corazón neste país", manifestou Jardón. Pola súa banda, Presas agradeceu o apoio e puxo como referente concello de Vilar de Santos. Afirmou que o modelo amosa "que se poden facer as cousas doutras maneira no rural e que son premiadas nas eleccións pola veciñanza. Presas destacou que "o único voto útil en Ourense é o que defende o país, sen tutelas". Rodil pide un futuro para o sector gandeiro A cabeza de lista de Nós por Lugo, Olalla Rodil, visitou o domingo unha explotación gandeira en Barreiros onde se solidarizou coa situación das persoas produtoras de leite. Afirmou que "o sector gandeiro na Mariña, aínda ten moitísimo peso e segue mantendo centos de familias; pero, de non ser polas políticas que o afogan, a súa potencialidade podería ser maior e falar dun sector que creara postos de traballo." Rodil valorou que as familias que dependen do sector "seguen loitando por sobrevivir e seguir alimentando á poboación desde as súas explotacións, nun rural galego condenado a ser reserva turística segundo os plans da Unión Europea e os gobernos galego e español". |
PRAZA_4437 | O xornalista, cunha longa traxectoria na televisión pública española, personaliza "a mellor época de independencia nos informativos nos medios públicos", destaca o CPXG, que anuncia que "cando a situación o permita" realizarase un acto público coa presenza do premiado para facerlle entrega do galardón. | O xornalista Lorenzo Milá obtivo o XVI Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. Nas votacións realizadas nas últimas semanas polas persoas que integran estas dúas entidades, Milá superou á actual correspondente de Televisión Española en Asia-Pacífico, Mavi Doñate e o recentemente cesado como director da Axencia Efe, Fernando Garea.Para o CPXG, Milá é un dos profesionais "que personalizan a mellor época de independencia nos informativos nos medios públicos", onde presentou La 2 Noticias e o Telediario 2. Desde o 2014, ocupa a correspondencia en Italia para a TVE, desde onde está a facer a cobertura profesional sobre a COVID-19. Nos últimos días coñeceuse que en breve abandonará este posto, para regresar a España, por decisión da nova dirección da TVE.Dedica o premio a "tantos profesionais da comunicación que xogan a vida defendendo a liberdade de prensa, a todos os informadores de calquera categoría que traballan en condicións de precariedade laboral e a quen traballa na verificación das noticias"Debido ás circunstancias impostas pola actual crise sanitaria, non foi posíbel celebrar a rolda de prensa para anunciar o fallo desta edición do Premio Couso nin os tradicionais actos de entrega en Ferrol. O CPXG indica que "cando a situación o permita", realizarase un acto público coa presenza do premiado para facerlle entrega do galardón.Lorenzo Milá enviou desde Roma un vídeo no que agradece o premio e llo dedica a "tantos profesionais da comunicación que se xogan a vida defendendo a liberdade de prensa, a todos os informadores de calquera categoría que traballan en condicións de precariedade laboral e a quen traballa na verificación das noticias, unha función crucial". O CPXG indica que "cando a situación o permita", realizarase un acto público coa presenza do premiado para facerlle entrega do galardónLeva traballando en TVE dende mediados dos anos 80, desenvolvendo distintas responsabilidades sobre todo na sección de informativos. Entre 2003 e 2004 foi correspondente adxunto na delegación de TVE en Washington. Posteriormente estivo no Telediario nocturno de La 1. En 2009 marcharía de novo a Washington, desta vez como correspondente principal. Foi tamén presentador e moderador da maioría das edicións do programa Tengo una pregunta para ustedLorenzo Milá súmase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017), Julia Otero (2018) e Defende A Galega (2019) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das 'Ás Ceibes' do escultor Manuel Patinha. |
NOS_58261 | Desde o sector piden máis implicación por parte das administracións públicas e das entidades financeiras. | 2020 foi un ano "malo" para o sector naval galego e o comezo de 2021 non pinta moito mellor. Segundo Enrique Mallón, secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos da Galiza (Asime), na actualidade traballan nas empresas do naval vigués 4.600 persoas, son 26% menos que hai un ano, cando se contabilizaban 1.200 empregos máis no sector. E o pronóstico para o primeiro semestre de 2021 é "continuar coa perda de emprego", dada a delicada situación pola que atravesan as principais empresas de construción naval. En concreto, Mallón referiuse ao estaleiro vigués Hijos de J. Barreras, onde traballan na actualidade 250 persoas, un dato que contrasta coas 1.200 que chega a empregar en momentos de forte actividade. Pero o que máis preocupa á patronal é a situación "límite" da industria auxiliar, sen capacidade para facer fronte aos próximos vencementos das liñas de crédito solicitadas tanto á Xunta como ao Goberno español. Neste senso, Mallón pediu ás administracións públicas que, aínda que teñan que ser "rigorosas e estritas" cos apoios públicos, as 60 empresas auxiliares do naval de Vigo "ben merecen un esforzo extraordinario". Mais o secretario xeral de Asime tamén reclamou un "apoio decidido" por parte dos bancos e entidades financeiras, así como dos armadores, para non perder masa crítica. Recoñece as "dificultades" para fechar novos contratos, precisamente pola situación financeira destas empresas, pero cre tamén que é o momento de potenciar a reparación naval, habilitando novos espazos para iso. A Ritz-Carlton, propietaria de Barreras, instouna a "un maior diálogo e achegamento" coas auxiliares, coas que aínda mantén unha débeda próxima aos 20 millóns de euros, xa que a "lentitude" nos pagamentos pode xerar "desconfianza", a mesma que suscita o feito de que o buque Evrima marche de Vigo para realizar traballos de pintura. "Non vemos a Ritz-Carlton escapando con todos os debedores detrás", tranquilizou Mallón. E se a cousa en materia de emprego non pinta ben polo sur, polo norte máis do mesmo. Onte o persoal traballador dos estaleiros da ría de Ferrol retomou as súas mobilizacións en demanda de carga de traballo e da modernización das plantas de Navantia. O portavoz de CCOO no comité de Ferrol, Miguel Pol, advertiu do posíbel despedimento dun milleiro de operarios auxiliares nas próximas semanas, que se sumarían aos 2.000 empregos destruídos nos últimos meses. Tamén apuntou que as centrais sindicais albergan "serias dúbidas" de que o contrato das fragatas F-110 vaia comezar a tempo, polo que sinalou que o estaleiro podería "morrer de éxito". |
PRAZA_14322 | O presidente da Xunta di respectar a "independencia xudicial" e asegura que o PP actuará "como ten actuado nos últimos anos" ante a implicación dos seus cargos en delitos de corrupción. | Feijóo vén de asegurar este venres que se o PPdeG recibe "algunha información" que o avale "pedirá responsabilidades" ao alcalde de Boqueixón, Alfonso Gacio, detido durante a operación Pokemon contra a corrupción, que acumula xa trece detidos, entre eles tamén o rexedor de Ourense, Francisco Rodríguez. Ambos os dous pasarán a disposición xudicial nas vindeiras horas. A devandita operación investiga diversos delitos como os de suborno, prevaricación, fraude fiscal, falsidade documental ou tráfico de influencias en relación coas adxudicacións de obras ao grupo Vendex, que ofrece o mantemento de servizos públicos en diversas cidades galegas e cuxas sedes foron rexistradas durante o operativo xudicial. "Se temos algunha información, pediremos responsabilidades ao alcade de Boqueixón", asegura Feijóo "O que fará o PSOE non o sei, pero o que fará o PP é actuar como temos actuado nos últimos anos e en calquera suposto: Se temos algunha información, o que fará é pedir responsabilidades", asegurou en declaracións aos medios, antes de presentar o alcalde de Santiago nun almorzo informativo na capital galega. "No meu partido non cabe ningún tipo de irregularidade e no meu partido non cabe ningún tipo de sospeita", aclarou o presidente da Xunta, que insistiu en que todos os detidos teñen "a mesma presunción de inocencia, como sempre, a que se presupón, para todos os cidadáns". De todos os xeitos, o presidente volveu apelar á presunción de inocencia dos implicados nesta operación que acumula dez arrestados en Galicia, entre eles o ex presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ou un funcionario do Concello de Santiago. En canto ás datas elixidas para a detención de varios cargos políticos, a un mes das eleccións, Feijóo manifestou o seu "respecto" pola independencia xudicial e animou a xuíza instrutora, a mesma que leva a operación Carioca, a "seguir investigando e actuando con rigor". Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez, recordou que a operación está dirixida polo xulgado número 1 de Lugo e indicou que as forzas de seguridade limítanse a actuar como Policía xudicial "sen iniciativa" e asistindo á xuíza nas súas instrucións. "Non teño ningunha novidade que achegar" e remitiu aos xornalistas ao xulgado para coñecer detalles da operación. Respecto dos que desconfían de que a operación se desenvolvese en precampaña, Juárez indicou que se trata dunha iniciativa que partiu da xuíza Pilar De Lara Cifuentes "dentro da súa independencia xudicial". "E nós respectámola, por suposto, e imos seguir facendo o papel que corresponde aos corpos de seguridade do Estado", rematou. HABERÁ AMPLIACIÓN |
NOS_20906 | Pasa por ser o intelectual español pro-independentista. Ramón Cotarelo debruzouse sobre twitter para denunciar a política do Estado español: represión en Catalunya, abandono da Galiza. | Non cesan as reaccións nas redes sociais en relación á dramática vaga de lumes que devasta Galiza. Espigamos agora o intelectual español que máis activismo ten mostrado nos últimos anos a prol dos direitos das nacións sen Estado en xeral e do dereito de autodeterminación de Catalunya en particular. Cotarelo denuncia a política estatal sobre Catalunya -coercitiva, represiva- e sobre Galiza -neglixente, abandonista. 10.000 policías en Cataluña para reprimir a la gente. Galicia arde y no hay medios ni personal. El gobierno debiera estar en la cárcel ya.— Ramón Cotarelo (@ramoncotarelo) 16 de outubro de 2017 |
NOS_55374 | Néstor Rego anunciou a abstención da formación nacionalista por "non recoller todos os avances" que o BNG propuxera a través de distintas emendas. | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lamentou a "oportunidade perdida" para avanzar no fortalecemento do sector científico durante o debate no Congreso da nova Lei de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación. Rego subliñou que se trata dunha ocasión perfecta para impulsar "unha ciencia para toda a sociedade e unha ciencia con dereitos". As investigadoras galegas cargan contra a nova Lei de Ciencia Con máis de trinta emendas rexistradas pola organización nacionalista, Rego procuraba "defender as competencias galegas nesta materia, garantir o retorno social do investimento, incrementar o financiamento, reducir a fenda de xénero, a inclusión do persoal técnico e eliminar a taxa de reposición de efectivos". "No BNG entendemos que sen ciencia non hai futuro e que, polo tanto, esta lei era unha oportunidade para avanzar e impulsar unha ciencia para toda a sociedade mais tamén para construír unha ciencia con dereitos" explicou o deputado nacionalista. Emendas do BNG O deputado do BNG sinalou que, se ben o texto recolle certos avances, a maioría das emendas presentadas polo Bloque para mellorar a nova lei non foron aceptadas. Estas emendas estaban enfocadas a abranguer diferentes ámbitos. Un primeiro, para garantir as competencias galegas nesta materia e a capacidade para deseñar unha política propia que estabeleza as prioridades en materia de I+D+i e atenda as necesidades específicas da Galiza. Persoal investigador concéntranse en Santiago contra a reforma da Lei de Ciencia O segundo bloque de emendas procuraban "garantir o retorno social dos investimentos públicos", tanto na escolla dos proxectos ou liñas de investigación como no acceso aos avances e innovacións financiados polo sector público e "sen que prime en exclusiva o rendemento económico". "Emendas para garantir dereitos e rematar coa precariedade dos colectivos de investigadores e de investigación. Por exemplo, a emenda sobre a investigación biomédica -similar á 250 aprobada en comisión e que o PSOE tentou tombar", detallou Rego. Incremento da financiamento pública até 2% Aliás, o BNG tamén propuxo incrementar a financiamento pública até 2% "para chegar a ese 3% estabelecido" que marca a Unión Europea como obxectivo para 2030. "Tamén emendas que teñen que ver con reducir a fenda de xénero, como recolle a Lei Ángeles Alvariño -que o BNG impulsou no Parlamento da Galiza- que está en vigor no noso país" reivindicou o deputado. As ciencias ensinan a pensar "Quixemos ser a voz dos colectivos que fan ciencia e agradecemos as achegas que nos quixeron enviar diversos colectivos, como Investigal, unha asociación moi activa na Galiza" explicou o deputado nacionalista. Néstor Rego anunciou a abstención do BNG na aprobación desta nova Lei de Ciencia, xa que, se ben a considera "necesaria", o feito de que as emendas nacionalistas fosen rexeitadas na súa maioría impediu que o texto final se axeitase ás pretensións da formación política. |
PRAZA_7437 | O secretario xeral da Presidencia atribúe o incremento no gasto en asesores á incorporación ao equipo do presidente da secretaría de Turismo, que non tiña persoal de gabinete cando dependía de Cultura | A estrutura da Presidencia da Xunta foi variando ao longo da historia autonómica. Por diversos motivos, dependeron directamente do xefe do Goberno galego departamentos diversos, dende Política Lingüística a Igualdade ata, como na actualidade, Modernización Tecnolóxica ou Turismo. Todas estas variacións apenas afectaron á partida destinada ao persoal eventual de gabinete da Secretaría Xeral da Presidencia, cando menos na última década. Así, como vén informando Praza Pública, os 908.818 euros que os Orzamentos Xerais para 2013 dedican a esta partida non só supoñen un incremento de 123.584 euros a respecto do ano 2012, senón que constitúen o montante máis elevado destinado a este concepto nos últimos dous gobernos. O incremento chegou este mércores ao Parlamento e a xustificación chegou a través do secretario xeral da Presidencia, Valeriano Martínez, que ao explicar no Parlamento as súas contas xustificou a suba nos cambios da estrutura gobernamental, nomeadamente, na incorporación da Secretaría Xeral do Turismo á estrutura do departamento e na transformación da Secretaría Xeral de Modernización Tecnolóxica nunha axencia pública. O incremento "deriva da consignación de contías que antes se atopaban en capítulos distintos" e "non hai máis que acudir cunha certa experiencia aos anexos de persoal" dos Orzamentos "para comprobar que as cifras que se manexan aquí son correctas pola miña parte", di. O BNG reclama unha "explicación máis críbel", xa que en 2012 Turismo "non tiña gastos de gabinete" Os argumentos non convenceron as voceiras da oposición. Así, dende o BNG Tereixa Paz reclama unha "explicación algo máis críbel", xa que a "xustificación pola incorporación do persoal de gabinete correspondente a Turismo" non é, ao seu xuízo, real. En 2012, cando dependía da extinta Consellería de Cultura, na Secretaría Xeral de Turismo "non había gastos de gabinete", constata -en 2013 a partida ascende a 88.935,91 euros e en 2012 non existía-. Nun sentido semellante, a socialista Marisol Soneira censura que o PP "chegase a Monte Pío co discurso dos coches, dicindo que alí habitaba un sultán" pero agora "haxa máis persoal de gabinete con Núñez que con Touriño". "Non facían as fusións para aforrar?", pregúntase. Presidencia perdeu as competencias en Igualdade, que supuñan 63.000 euros en persoal de gabinete "Non hai ningún tipo de incremento", reiterou Valeriano Martínez que, ademais, subliña que o persoal de gabinete do presidente custa un 5% menos en 2013, unha vez restados os novos departamentos, "unha regra que se lle aplica a todo o persoal eventual de gabinete". Así e todo, se ben é certo que se incorporou Turismo á Presidencia non o é menos que este departamento perde, por exemplo, as competencias en materia de Igualdade, que pasan á Vicepresidencia e que en 2012 supuña 63.313 euros en gastos de persoal eventual de gabinete. Pola súa banda, o departamento de Modernización Tecnolóxica -antes secretaría xeral e agora axencia- pasa de gastar 93.616 euros en gabinete a quedar en 73.910 aínda que, segundo asegura a Xunta, agora xestiona toda as accións do Executivo en materia de tecnoloxía e informática. "Non demonicen este tipo de persoal", reclamou o secretario xeral. |
NOS_45621 | A erupción do volcán chileno continúa tras unha semana de fortes protestas. A suba na tarifa do sistema público de transporte foi a isca que fixo prender as manifestacións e poñer contra as cordas o presidente Santiago Piñera, que a semana pasada decretou o estado de excepción e sacou o Exército ás rúas, mais o descontento na sociedade víñase acumulando de anos atrás. Falamos con Omar Contreras, exiliado na Galiza da ditadura chilena tras pasar polo cárcere, para debullar as claves do que está a acontecer nun país que se deu en coñecer como "a Suíza de América Latina". | Omar Contreras Flores, activo dirixente universitario e sindical e membro de Izquierda Cristiana de Chile na década de 1970, foi presidente na Coruña e fundador en 1978 dos Comités de Solidariedade de América Latina (Cosal) na Galiza. Exiliouse no noso país - após pasar polo cárcere- da ditadura. O seu irmán, Iván, non correu a mesma sorte e foi un dos moitos homes e mulleres asasinados durante o golpe de Estado do 11 de setembro de 1973 e os anos posteriores baixo a ditadura de Augusto Pinochet. Contreras insiste nunha idea: en Chile hai unha "democracia entre comiñas" na que "a xente aínda ten medo a opinar" e na que "continúan a gobernar os militares e a policía". "A ditadura -di-asegurouse mediante a represión de levar o medo á poboación". Ao respecto, a modo de anécdota, relata as vicisitudes que desde 2015 teñen na súa cidade de orixe, á que viaxa unha vez ao ano, para instalar unha escultura en lembranza dos asasinados pola ditadura: "Nunha última xuntanza, o delegado do Goberno na provincia dixo que ía facer un último esforzo. Sabes o que fixo? Chamar á Policía, porque ao final é o xefe da Policía o que pode autoriza ou desautorizar a instalación da escultura na vía pública". Ademais, considera que a "total privatización" dos sectores produtivos chilenos está detrás da recente explosión de ira nas rúas, que ten contra as cordas o presidente Santiago Piñera. Este, despois de decretar a semana pasada o estado de excepción, a pasada cuarta feira, 24 de outubro, abandonou a retórica belicista, pediu "perdón" pola súa "falta de visión" política e anunciou melloras económicas. Porén, o Exército -de forma inédita en democracia- mantense nas rúas e esta pasada quinta feira. Xa van 18 mortos -confirmados polo Ministerio do Interior- desde o inicio da erupción das protestas, e o pobo mantense mobilizado. Esta quinta feira, co país en folga xeral, manifestouse masivamente polas rúas da capital, Santiago de Chile. Chile ten boa prensa a nivel internacional. É a "Suíza de América Latina". Por que esa boa prensa? Porque Chile foi o coello de Indias da implantación do neoliberalismo económico no mundo A situación en Chile semella de máxima gravidade... É gravísima. O presidente volveu á época da ditadura sacando os tanques á rúa para silenciar a protesta do pobo. Que diga nunha proclama pública ao pobo que "Chile está en guerra"... pero en guerra de que? Entregoulle o poder aos militares, facendo un estado de excepción, con toque de queda. Isto demostra que en Chile continúan a mandar os militares. Aínda que o dictador deixou o poder en 1990, continúan a gobernar os militares e a policía. E os gobernos que houbo despois da ditadura non foron quen de mudar a Constitución que deixou Pinochet . De aí arrincan todos estes problemas. Ver os militares na rúa debe ser especialmente duro para a xente que viviu a ditadura? Ningún outro Goberno ousou sacar aos militares á rúa. Mantíñanse nos cuarteis aínda que, insisto, mantendo o poder. Os presidentes chilenos están baixo as ordes dos militares. Hai unha democracia ente comillas. Unha democracia dependente das Forzas Armadas. Mais, externamente, Chile goza -ou gozaba- dunha imaxe de "oasis" dentro da convulsa política latinoamericana... A grande economía funciona, o que fai que a renda per capita en Chile sexa alta comparada cos países de América Latina. Mais a redistribución da riqueza é sumamente inxusta. É un dos países onde hai unha maior desigualdade social. Non pode ser que un catedrático de instituto se xubile e cobre 200 e pico euros. Cando un litro de leite non che vale menos dun euro nun supermercado. Isto víase que ía saltar en calquera momento, e fíxoo agora polo prezo do billete de metro. Durante a ditadura privatizouse todo e posteriormente non foron quen de recuperar, sobre todo, a educación e a sanidade, que son totalmente privadas. O que non paga nin estuda nin se cura. Mais, logo por que a boa prensa? Chile ten boa prensa a nivel internacional. É a "Suíza de América Latina". Por que esa boa prensa? Porque Chile foi o coello de Indias da implantación do neoliberalismo económico no mundo. Tiveron que matar un presidente [Salvador Allende] e instaurar unha ditadura de 17 anos para poder aplicar un modelo económico metonímico da Escola de Chicago, que despois continuou Ronald Reagan nos EUA, Margaret Thatcher no Reino Unido, e foise extendendo por outros lugares non mundo. En Chile, os grandes grupos económicos teñen a posibilidade de facer negocio en todo, porque todo se privatizou. Todo o compraron. Poden tirar beneficio do país sen pagar un peso. Como non vai ter boa prensa e unha imaxe de éxito económico? As grandes multinacionais controlan as catro industrias que ten Chile: a forestal, o cobre, a pesca e a produción de froita e viño. Non hai ningunha empresa chilena, por exemplo, que controle a exportación de froita. A macroeconomía funciona. "A renda per cápita anda polos 15 mil dólares, mais 70% dos traballadores chilenos gaña menos de 400 euros" Mais a economía familiar non. A renda per cápita anda polos 15 mil dólares, mais 70% dos traballadores chilenos gaña menos de 400 euros. E as pensións están entre os 200 e os 250 euros. Vivir en Chile é moi complicado porque é moi cara a vida. Os soldos son moi baixos e poden despedirte cando queren. Os bancos cobran intereses altísimos. O Santander, por exemplo, cobra 28% de interese por un crédito de consumo de 2.000 euros, cando noutros sitios non pasa de 2% anual. Aquí en Europa sería considerado unha estafa, mais alí en Chile é normal. Outra que goza de boa prensa é a ex presidenta Michelle Bachelet, cando menos entre a socialdemocracia europea. Que parte de culpa ten en non afrontar as mudanzas necesarias durante o seu mandato? Ninguén ousou modificar a Constitución nin poñerlle freo á autoridade dos militares. Bachelet tampouco fixo grandes mudanzas por medo aos militares. O Goberno de Bachelet fixo o que puido facer. Ou o que lle deixaron facer. Porque, doutra banda, temos unha gran parte da esquerda latinoamericana que existiu no seu momento, que estivo en Europa, e en Europa os seus dirixentes pasáronse á socialdemocracia. E a socialdemocracia europea impuxo a liña a seguir en América Latina. O Partido Socialista de Chile, por exemplo, non era socialdemócrata. Fíxose despois. Agora todos eses partidos son de centro-dereita, acomodáronse á economía de mercado. Os medios chilenos veñen da época de Pinochet. 90% depende de dous grupos: o grupo de El Mercurio e o grupo de La Tercera, os dous de dereitas. Controlan toda a televisión, a radio e os xornais E o papel dos medios de comunicación? Os medios chilenos veñen da época de Pinochet. 90% depende de dous grupos: o grupo de El Mercurio e o grupo de La Tercera, os dous de dereitas. Controlan toda a televisión, a radio e os xornais, mentres que os medios de comunicación opositores no seu momento á ditadura, todos desapareceron, non queda nin un. Por temas económicos, fundamentalmente. Por outro lado, Piñera concedeu a máxima medalla de honor que hai en Chile para cidadáns estranxeiros, a Orde de Bernardo O'Higgins, en 2014, a Juan Luis Cebrián [fundador do diario español El País, e daquela presidente do Grupo Prisa] e ese mesmo ano nomeárono membro da Academia da Lingua en Chile. Por que será? Pois, por exemplo, porque todo o tema escolar da edición de libros de texto colleuno Santillana [editorial do Grupo Prisa]. Que evolución do conflito podemos agardar? Teño as miñas dúbidas e preocúpame. Eu viaxo todos os anos a Chile e non vexo a ninguén que canalice ese descontento do pobo. O descontento xeral, de non se canalizar, desaparece co paso dos días. Ti non podes esperar que a xente saia todos os días a manifestarse. Iso cansa. |
NOS_44081 | O candidato de Galicia en Común participou da manifestación convocada por sindicatos e colectivos da sanidade pública en Compostela. "Precisamos un Goberno galego que coide de quen nos coida", asegurou. | "Precisamos un Goberno galego que coide de quen nos coida, que coide dos nosos sanitarios e entenda que son un elemento fundamental para coidarnos como sociedade", asegurou Antón Gómez Reino esta mañá, mentres participaba nunha manifestación convocada por sindicatos e colectivos da sanidade pública en Compostela. O candidato de Galicia en Común á Presidencia da Xunta enviou un mensaxe agradecendo ao persoal o seu "rexeitamento" ao "intento de suborno" do Goberno de Alberto Núñez Feixoo, en referencia a oposición expresada por colexios profesionais, sindicatos e outras asociacións ao bono de 250 euros para que o persoal da sanidade e dos servizos sociais o empregue en hostalaría ou turismo. "Vimos de meses moi duros nos que se amosou o enorme compromiso dos profesionais sanitarios co conxunto dos galegos e galegas a pesar dos rebrotes e da precariedade sistemática e deliberada do Goberno do PP e de Alberto Núñez Feixoo durante os últimos anos", sentenciou Gómez-Reino, acompañado neste xornada por outras integrantes da candidatura como Eva Solla, Luca Chao ou Martiño Noriega. Gómez Reino cualificou de "anos moi difíciles" para a sanidade galega a década con Núñez Feixoo á fronte do Goberno da Galiza. Esta, segura, ten hoxe "un 21 por cento menos de Atención Primaria e un nove por cento menos de camas", mentres se produciu o "feche de áreas sanitarias" ou o "intento de pechar o servizo de atención ao parto" no hospital de Verín. O candidato fixo un chamamento para que o electorado "progresista" acuda ás urnas o vindeiro 12 de xullo para "rematar" cunhas políticas "de recortes, privatización e precariedade" do PPdeG na Xunta. |
NOS_5649 | O xuíz da Audiencia Nacional José Luis Calama propuxo xulgar unha organización criminal constituída ao redor dunha empresa que entre 2016 e 2019 cometería unha fraude fiscal en concepto de IVA de hidrocarburos superior aos 154 millóns. Entre as persoas xulgadas atópase José Norberto Uzal, director xeral de Administración Local da Xunta presidida por Alberto Núñez Feixoo entre 2009 e 2013. | Unha trama de fraude fiscal de 154 millóns salpica José Norberto Uzal, o que fora director xeral de Administración Local da primeira etapa de Goberno de Alberto Núñez Feixoo, entre 2009 e 2013, fichado para a Consellaría de Presidencia por Alfonso Rueda. O xuíz da Audiencia Nacional José Luis Calama propón levalo ao banco dos acusados, xunto a outras vinte persoas, por delitos de organización criminal e branqueo. Norberto Uzal (Vigo, 1971) é avogado e foi membro do Partido Popular, mais con antelación a ocupar a Dirección Xeral de Administración Local en 2009, concorrera ás eleccións do Parlamento Europeo. Fora en 1994 e non se presentara nas listas do PP, senón na candidatura da Falanxe Española, partido do que fora xefe territorial na Galiza. Ademais de ser director da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), ocupou un posto na Asesoría Xurídica do Concello de Cambados. Posteriormente, foi edil do PP en Rianxo, cargo que deixou en 2016. Non foi o de concelleiro o único posto do que dimitiu, pois en 2013 deixou a Dirección Xeral logo de actuar como informante no caso do conflito entre o alcalde e a secretaria de Palas, que ficara apartada do seu posto de traballo malia fallar ao seu favor o Tribunal de Xustiza da Galiza. Ademais, a Delegación do Goberno ordenara recorrer a sanción imposta á funcionaria. No citado caso de Palas, o Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local censurara o informe de Norberto Uzal, contrario á secretaria, e acusárao de deixación de funcións. Fraude de 154 millóns Norberto Uzal terá que sentar no banco dos acusados tras a fin da instrución do caso en que está implicado. Farao en calidade de director xeral do Grupo Hafesa e de lugartenente do seu presidente, Alejandro Hamlyn. Acúsanos de delitos de organización criminal, branqueo de capitais e catro delitos contra a Facenda Pública. Acúsanos de delitos de organización criminal, branqueo de capitais e catro delitos contra a Facenda Pública Segundo o xuíz, os feitos executados pola trama tiñan como obxecto "evitar intencionadamente o ingreso na Facenda Pública do IVE xerado na comercialización de hidrocarburos". Ao incorporar o IVE repercutido ao seu patrimonio, "obtiveron un maior beneficio nas súas operacións comerciais de venda", ademais dunha certa monopolización do mercado ao erradicar, polo menos parcialmente, a competencia de terceiros incapaces de ofertar un prezo igual ou inferior ao seu, "pois a mercadoría vendíase por baixo do prezo de custo". Este negocio ilegal baseábase, segundo o xuíz, en que as empresas utilizadas non soportaban IVE cando adquirían hidrocarburos, pero en cambio si que repercutían devandito imposto na práctica totalidade das vendas realizadas. De criptomoedas a coches O auto xudicial sinala que as cotas defraudadas a través das sociedades instrumentais "foron sometidas a un proceso de branqueo de capitais por un total de 46,5 millóns de euros, dos cales aparece identificada a finalidade última respecto de case 30 millóns". Os principais destinos aos que a organización criminal dedicou esa cantidade son a compra de criptomoedas (5,37 millóns); transferencias a posicións no estranxeiro (5,37 millóns); efectivo (5,71 millóns); investimento en inmobilizado (3,13 millóns); compra de vehículos (1,95 millóns); cheques e talóns (1,52 millóns de euros) e Investimento noutras empresas, como, por exemplo, a compra da operadora SANVEZ (5,67 millóns de euros). |
NOS_574 | Así o anunciou o portavoz parlamentar da organización frontista esta segunda feira. Francisco Jorquera lembrou que a venda destes produtos foi aprobada polo goberno de José María Aznar e que @s deputad@s do PPdeG no Congreso español apoiaron co seu voto favorábel a imposición da quita. | O portavoz nacionalista na Cámara galega anunciou en comparecencia de imprensa as iniciativas que a organización frontista presentará na Cámara para procurar solucións ás persoas estafadas pola fraude das participacións preferentes e subordinadas. Neste senso, Francisco Jorquera debullou as proposicións que veñen de apresentar no Parlamento entre as que se atopa a modificación da Lei 9/2012. "Instaremos a Xunta a que demande a corrección dos artigos en que se estabelece a quita", asegurou o voceiro parlamentar do BNG, ao tempo que exixirán ao FROB que se devolvan integramente os aforros ás persoas estafadas. Jorquera lembrou a Núñez Feijóo que foi o "goberno Aznar" o que aprobou a venda de preferentes entre @s aforrador@s O nacionalista quixo lembrar que a venda deste tipo de produtos entre @s aforrador@s foi aprobada polo goberno de José María Aznar sendo as épocas en que maior número de participacións se comercializando as dos "gobernos de Fraga e de Feijóo", en contraste coas declaracións feitas polo presidente da Xunta de Galiza [asegurou ser durante o bipartito cando máis produtos financeiros desta caste se distribuíran]. "Agora vai ser o Bloque o responsábel do asasinato de Kenedy por ter apoiado os orzamentos durante o goberno de Zapatero", ironizou Francisco Jorquera en alusión ás verbas do líder do executivo galego durante a pasada sesión de control ao presidente. Segundo Jorquera, o Partido Popular está a practicar "un xogo de aparencias" ao expresaren a súa solidariedade coas plataformas de afectados, cando en realidade "foron os deputados do Partido Popular de Galiza" @s que apoiaron a aprobación da quita no Congreso español malia ter votado en contra da mesma o seu partido no Parlamento galego. Reprobación de Louzán polas súas acusaciós contra portavoces das plataformas O BNG rexistrou tamén unha Proposición non de lei en que insta á Xunta de Galiza a "reprobar a Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra" por mor das acusacións deitadas polo popular contra "os portavoces das plataformas, nomeadamente contra Xulio Vicente, voceiro da plataforma do Rosal", manifestou o nacionalista. Para Francisco Jorquera, as declaracións do presidente provincial son "intolerábeis" e "intimidatorias". |
PRAZA_909 | O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade financia o tratamento psicolóxico de nenas e nenos con traumas a causa dos bombardeos. A ONU reitera o chamamento de emerxencia humanitaria nos campos de refuxiados. | "En Gaza hai nenos que levan catro anos baixo un trauma severo", con "constantes ataques de ansiedade" ou que "levan dende a última ofensiva sen poder falar". Hai tamén rapazas e rapaces que "cando os pais teñen que saír, padecen un ataque de ansiedade" ou que "pensan que os están bombardeando" cando "hai unha treboada". Raquel Martí, directora executiva do comité español da UNRWA, a axencia das Nacións Unidas que atende as persoas refuxiadas de Palestina, explicaba así o pasado febreiro en Praza Pública as circunstancias polas que pasa a infancia de Gaza como consecuencia dos sucesivos ataques israelís. O testemuño de Martí encadrábase nunha rolda de contactos con diferentes institucións galegas co obxectivo de recadar apoios para asistir esta poboación refuxiada, unhas xestións que comezan a dar froitos. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade de cooperación ao desenvolvemento formada por 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, vén de lle achegar 10.000 euros á UNRWA por segundo ano consecutivo para financiar o seu programa de atención psicosocial á infancia. Aínda que a suma non é especialmente avultada no contexto dun orzamento público o Fondo estima que "esta doazón podería financiar o tratamento psicolóxico de 33 nenas e nenos" durante un ano enteiro, ademais de servir para apoiar "terapias grupais e outro tipo de actividades sobre saúde mental comunitaria". A achega do Fondo Galego permitirá financiar o tratamento psicolóxico de 33 nenas e nenos durante un ano enteiro Na liña do relatado por Martí, o Fondo Galego salienta que esta atención é especialmente relevante para unha poboación infantil que, só na última ofensiva sobre Gaza, "sufriu ataques continuados durante 50 días", ataques que mesmo afectaron ás propias escolas da ONU nas que se refuxiaban "sen que a comunidade internacional reaccionase". "A perda de familiares e a destrución dos seus fogares, engadidas ao xa habitual contexto de violencia" xera nas nenas e nenos problemas como a "hiperactividade, déficit de atención, impulsividade ou condutas antisociais", así como comportamentos agresivos, pesadelos, "problemas de aprendizaxe, sensación de inseguridade" ou "obsesións con xogos de guerra", entre outros síntomas. Trátase, en definitiva, explica o Fondo Galego, de "traumas" que "resulta fundamental tratar". E para isto cómpren "xogos terapéuticos, terapias de relaxación, meditación, expresión artística ou contacontos" que palían, na media do posible, a "predisposición da poboación de Gaza á ansiedade, á depresión e ás desordes no comportamento", todo isto derivado da "exposición aos bombardeos" que se suma "ao desemprego, á pobreza" e ás "restricións impostas polo bloqueo de Israel", principal obstáculo que a UNRWA debe sortear para poder executar a comprometida reconstrución da franxa. Alerta en Yarmouk A invasión do Estado Islámico mántén atrapadas "unhas 18.000 persoas" no campo de refuxiados de Yarmouk Esta axuda, explica o Fondo, chega nun contexto no que "pouco se escoita falar xa de Gaza" malia ao "chamamento de emerxencia que vén de realizar" a axencia da ONU a respecto tamén doutras necesidades básicas en áreas de saúde, educación ou alimentación nos oito campamentos de refuxiados deste territorio, así como noutos 50 campos de refuxiados nos que se contabilizan "máis de cinco millóns de persoas". Entre eles, resaltan, está o campo de Yarmouk, en Siria, "que xa viña padecendo dende hai dous anos o asedio das tropas gobernamentais" e que agora "se acha nunha situación crítica tras ser invadido polo Estado Islámico", que mantén atrapadas "unhas 18.000 persoas" sen permitir o acceso de axuda humanitaria. Neste contexto, a UNRWA traballa nas "zonas adxacentes" do campo de Yarmouk, de onde "só uns poucos centos de familias conseguiron fuxir". Alí, informan, "detectouse unha absoluta carencia de comida, auga e vivenda", pero tamén de "artigos de hixiene, abrigo e medicinas". É por iso que as Nacións Unidas reiteran a necesidade da apertura dun corredor humanitario e, pola mesma razón, nos vindeiros días "realizarán un chamamento extraordinario para responder ás necesidades da poboación civil na zona". |
NOS_39665 | A Illa das Esculturas de Pontevedra acollerá, un ano máis, o festival Surfing the Lérez. Será este sábado, 16 de xuño, cun abondoso cartel en que figuran 15 bandas de Galiza e de fóra. Mais antes, en concreto a partir da noite da cuarta feira, día 13, haberá aperitivos. | Na Sala Karma, Fogbound despregará a súa psicodelia con ángulos freakbeat. Canda eles estarán Esteban e Manuel, cumbia tamén psicodélica, música de baile transmoderna. Será o día 13 de xuño. A quinta feira, as oprotunidades de ver música en directo dóbranse. No El Pequeño estarán The Manueles e de novo na Karma, Matt and the Peabody Ducks. A sexta feira 15 de xuño, véspera do día grande do Surfing the Lérez, a programación dedicada ás crianzas tomará as rúas da cidade. O sábado, á fin, o rock nas súas máis variadas opcións tomará a Illa das Esculturas. A lista é ampla: Furious Monkey House, La Casa de los Ingleses, The Lakazans, Flip Corale, Oh! Ayatolah, The Trunks, Soulmacklein & Positive Band, Eladio y los Seres Queridas, Escuchando Elefantes, The Limboos, Ángel Stánich, Terbutalina, La Duendenete, Mad Martin Trio e Agoraphobia. |
PRAZA_17819 | ENTREVISTA Manuel Gago recrea a resistencia e resiliencia do rural galego dos 40 n'O exército do fume, unha novela sobre o papel de Galicia na II Guerra Mundial e sobre a guerrilla antifranquista. | Hai na nova novela de Manuel Gago, O exército do fume, (Xerais), coma el mesmo explica, nazis, espías, combates no mar, aéreos, sabotaxes, execucións, asasinatos, amor, odio, traizóns e bastante acción. Mais por detrás de todo isto abrolla a realidade de resistencia do rural galego dos anos 40. A historia da guerrilla e dun pobo que, co seu apoio, a fixo posible. O relato posible dun xeito, quizais, de ser heroes. O autor respondeu por correo electrónico as nosas preguntas sobre este libro. Un país sempre ten heroes, dille na novela unha nena ao pintor do mar, que previamente afirmara que en Galicia non temos heroes. En que sentido é esta novela unha reivindicación dos "heroes" galegos que non foron reis, nobres, altos xerarcas da Igrexa, etc? Por que reivindicalos como heroes, é dicir, por que cres que Galicia precisa, dalgunha maneira, heroes? (Se o cres...) Estes días fun xurado dun concurso escolar de redaccións sobre Galicia. Chamoume a atención da visión que os escolares tiñan sobre o país: basicamente unha paisaxe bonita, uns pratos de comida, as festas da vila e algún monumento. Non existía pasado! Galicia é un país sen pasado para os nenos e, polo tanto, sen figuras do pasado. Iso tamén significa que é unha identidade complementaria, secundaria fronte a outra ou outras, nas que si que existen relatos do pasado. "Galicia é un país sen pasado para os nenos e, polo tanto, sen figuras do pasado. Iso tamén significa que é unha identidade complementaria, secundaria fronte a outra ou outras" Hoxe sabemos ben o que son. Os heroes non son persoas, figuras históricas totalmente reais. En realidade son personaxes, identidades construídas por poderes, por grupos. Son espazos negociados de representación. E en países cunha forte tensión identitaria, os heroes adoitan ser conflitivos. Sabemos que algo raro pasa cando visitamos calquera país europeo (desde Francia a Escocia, ou desde Irlanda a Italia), atopamos unha serie de figuras que dalgún xeito personalizan historias e valores. Na nosa estatuaria pública, por exemplo, non atopamos esas figuras. Nós pasamos dos próceres caciques do XIX a figuras da cultura e, sobre todo desde os 80, a representacións icónicas do "Pobo" (o emigrante, o mariñeiro, a leiteira) que, ao non ser individuais, ao representar a un colectivo, deixan contento todo o mundo (e non crean conflito). "Nós pasamos dos próceres caciques do XIX a figuras da cultura e, sobre todo desde os 80, a representacións icónicas do "Pobo" que, ao non ser individuais, deixan contento todo o mundo (e non crean conflito)" Unha cuestión interesante da Historia galega ao longo do tempo é a incapacidade do liderado, do consenso ante unha figura individual. E iso plásmase tamén na creación de imaxinarios, como son os heroes, que se forxan nas lendas, nas novelas, no cine ou nos cantares. En Galicia non hai, que eu saiba, nin un só heroe. Nin sequera reis, nin bispos, nin poderosos. A cuestión é por que non cremos nesas figuras. Témoslles medo? Témoslle desconfianza? Ou temos medo do conflito que traen os heroes con eles? O galeguismo de finais do XIX e principios do XX tentou crear algúns heroes como Breogán ou Pardo de Cela. Pero non hai máis que botar unha ollada ás traxectorias fallidas deses mitos na literatura ou no audiovisual galego das últimas catro décadas (practicamente ausentes) para decatarnos de que pasa algo raro con todo isto. "En Galicia non hai, que eu saiba, nin un só heroe. Nin sequera reis, nin bispos, nin poderosos. A cuestión é por que non cremos nesas figuras. Témoslles medo? Témoslle desconfianza?" Os maquis da II Guerra Mundial son heroes en todos os países nos que se conseguiu vencer a Hitler; están presentes nos espazos públicos. Figuras construídas que contan un relato sobre o que un colectivo quere parecer, ou quere chegar a ser. E eses maquis son exactamente o mesmo tipo de xente que se organizou aquí no monte para resistir e combater. A diferencia principal está en que a guerrilla galega perdeu, e sobre eles o franquismo teceu infundios e tentou masacrar a súa memoria. Que, de algún xeito, hoxe en día aceptemos aínda que sexa de maneira inconsciente esa versión é algo sorprendente, significa que o vencedor está dentro de nós. "Os maquis da II Guerra Mundial son heroes en todos os países nos que se conseguiu vencer a Hitler; están presentes nos espazos públicos" A cousa revélase aínda máis cando observamos a querenza da nosa cultura polos mártires. Porque heroes non temos, pero mártires, unha chea deles. E iso é interesante, porque o mártir é un axente pasivo, alguén que ten unha causa xusta e unha morte inxusta, unha vida truncada. Sobre iso é ben doado establecer un consenso. É sorprendente como no país -no que o catolicismo segue a ter un peso intelectual brutal, aínda que non o recoñezamos- sempre resultou máis confortable a idea do martirio que a dun heroe que loita, que pode vencer ou caer, pero que é un emblema e un modelo. Os mártires son importantes. Pero a pregunta é onde están os heroes do noso imaxinario. Son cuestións bastante perturbadoras para min, cuestións que abordan aspectos un tanto escuro da nosa identidade. En relación co anterior, di tamén o narrador que os libros dirían que Galicia sería a primeira en caer nas mans do fascismo, esquecendo que seguía a ser zona de guerra, debido á presenza da guerrilla. Carlos Reigosa foi un dos primeiros autores, hai xa anos, en levar á literatura a guerrilla antifranquista galega. Seguimos a ter, se cadra, unha certa necesidade de sacudirnos esa imaxe da "Galicia leal", malia todo o avanzado en recuperación da memoria histórica? Que papel xoga aí a guerrilla? Sen dúbida ningunha. Creo que o proceso de recuperación da memoria histórica aínda a penas comezou. Houbo un inxente proceso de investigación documental, de análise histórica, que non creo que teña rematado; houbo tamén iniciativas de posta a disposición deses materiais a nivel público, está habendo estas tan importantes exhumacións, homenaxes. Falamos dun grupo non moi numeroso, pero moi dinámico, que leva traballando todos estes anos pola recuperación da memoria deste xente. "Creo que o proceso de recuperación da memoria histórica aínda a penas comezou" Pero creo que agora chega tamén un traballo moi complexo e difícil, sobre todo porque é máis indeterminado. Débese traballar aínda máis en facer chegar esta información a un público máis amplo do país, que é refractario a estes relatos e discursos, e iso pódoo demostrar con datos porque coñezo ben as estatísticas dos textos xornalísticos sobre memoria histórica en varios medios dixitais especializados do país. Mesmo o público interesado en cuestións de cultura e sociedade foxe destes contidos. Algo pasa. "Débese traballar aínda máis en facer chegar esta información a un público máis amplo do país, que é refractario a estes relatos e discursos" Vou poñer unha anécdota. No meu blog Capítulo Cero hai veces que non publico a localización dalgúns espazos arqueolóxicos que poden ser vulnerables para evitar visitas masivas, pero ofrezo a posibilidade de remitir as coordenadas por correo electrónico para visitas privadas e en pequeno número. Esta técnica funciona moi ben. Se falo de castelos, de castros ou doutro tipo de espazos, adoito recibir numerosas peticións. Un día escribín sobre Cal do Barqueiro, unha das últimas bases guerrilleiras, aínda oculta nun fermosísimo canón dun afluente do Eume. A base, na que se distinguen as cabanas da guerrilla, está ao carón dunha fervenza, e hai que chegar a ela, pura aventura, descolgándose por unha corda. Pois ben, non recibín unha soa petición de ninguén para que lle pasase as coordenadas. Estou convencido de que se tivese cambiado o termo "base guerrilleira" por "mosteiro perdido" andaría respondendo correos todos os días. E estamos falando dunha auténtica xoia do patrimonio cultural e da historia deste país, que debe figurar con urxencia no inventario do patrimonio cultural de Galicia. "Creo que a guerrilla, pola súa historia, pola súa vontade de ser, de non renderse, polo impacto impresionante que deixou na memoria da tradición oral, é un relato cun potencial enorme para chegar ao público" Que podemos facer? Como podemos levar a historia da resistencia a moita máis xente? Máis alá das utopías, coido que hai que soñar con iso. Creo que agora hai unha desafiante fase de novas narrativas que poden contribuír a espallar este coñecemento. Un exemplo poden ser as iniciativas da arqueoloxía da guerrilla, como a de Repil, na Pobra do Brollón, ou a interesantísima iniciativa arqueolóxica Sputnik Labrego, que acaba de intervir nos chozos da guerrilla de Casaio, que combinan o rigor e a disciplina científica co retrato e o día a día da resistencia. Creo que a guerrilla, pola súa historia, pola súa vontade de ser, de non renderse, polo impacto impresionante que deixou na memoria da tradición oral, é un relato cun potencial enorme para chegar ao público. Algo está cambiando. O outro día, na homenaxe nacional a Gardarríos, en Mondoñedo, había 250 persoas. E na entrega dos catro guerrilleiros do val do Dubra pasou o mesmo, outro salón de actos cheo. Se cadra agora é o momento ou comeza a selo, para comezar a valorar o que estas xentes fixeron. A que te refires cando falas de partidización da nosa cultura en relación coa memoria da guerrilla? Lembro que, co Ano da Memoria, cando se comeza a falar máis deste tema, si se reivindicaba a guerrilleiros de distintas ideoloxías. Aínda que si se distinga unha primeira etapa máis pluripartidista e unha segunda máis baixo control do PC. A guerrilla é o terceiro vector dun proceso moi longo que ten que ver co que pasou na Guerra Civil, onde a xente do bando republicano só tiña tres opcións: a) fuxir ao exilio, b) adaptarse aquí dentro á nova situación -coa multitude de respostas posibles, incluída a de agacharse no monte na espera de tempos mellores-, c) coller un fusil e resistir activamente. Se te fixas, desde a chegada da democracia, asistimos a procesos consecutivos de restauración da memoria, que se van sucedendo e solapando. En primeiro lugar, abordouse a memoria dos exiliados e represaliados políticos e intelectuais, individuos que caeron ou tiveron que fuxir durante o conflito, a maior parte singularidades intelectuais da clase media e burguesa da época. "A partir do cambio de milenio comezouse a prestar máis atención ás vítimas da represión -os mortos das gabias, etc-, nun proceso que aínda segue" A partir do cambio de milenio comezouse a prestar máis atención ás vítimas da represión -os mortos das gabias, etc-, nun proceso que aínda segue. Aí xa aparecen máis nidiamente as vítimas de clase baixa, das clases populares. E se cadra agora é o terceiro tempo, o da guerrilla, unha memoria tamén popular, pero máis problemática, máis conflitiva, porque non os podemos entender no mesmo xeito que os represaliados e os asasinados nas gabias. A opción da guerrilla foi manter a guerra a pesar da derrota, e unha guerra sabemos ben o que é. Incluía moitas cousas que só teñen sentido no contexto da propia guerra, que é difícil ver desde fóra, ou desde hoxe. Os propios guerrilleiros falaban da súa sorpresa, cando chegaron do exilio, ao ver que non lle interesaban a ninguén, que non estaban incorporados aos procesos da transición, mesmo desde o Partido Comunista. Estaban fóra do futuro. En Galicia, adicionalmente, houbo outro factor, que é a cuestión nacional, que nos axuda a entender isto. O tratamento da guerrilla por parte das elites culturais sería o mesmo se esta tivera sido claramente de adscrición nacionalista, cousa que non foi? A min non me cabe dúbida. "O tratamento da guerrilla por parte das elites culturais sería o mesmo se esta tivera sido claramente de adscrición nacionalista, cousa que non foi? A min non me cabe dúbida" Durante a construción da autonomía, cada unha das opcións políticas do país con certa forza e presenza parlamentaria buscou os seus referentes no pasado, como un xeito de construír o seu propio discurso. Está claro que a guerrilla non estivo aí, a pesar de que foron os que aguantaron en campo máis tempo. Parte da cousa e que as súas posicións políticas era dificilmente traducible á Galicia actual. Agora, efectivamente, as cousas están cambiando. As adscricións políticas específicas, as siglas, xa non son tan relevantes e o discurso constrúese a partir da defensa dos valores republicanos. En parte porque a competencia nese ámbito político xa é menor, máis líquida. E ten que ver con ese terceiro tempo da restauración da memoria do que falaba. Que ten o personaxe de Camilo de Gómez Gaioso? Hai outros personaxes que son reais (Curuxás, por exemplo, ou obviamente Churchill) e supoño que outros totalmente inventados, outros baseados nalguén real (Charo pode ser Chelo) e outros que xuntarán trazos de varias persoas reais. É claro que mestura realidade e ficción mais, como foi o proceso de documentación? Que fontes usaches? (Igual mesmo algunha conversa con algún " guerrilheiro de chaira" vivo...) O proceso de construción dos personaxes foi complexo. En liñas xerais, os protagonistas -agás o pintor- son personaxes de ficción, pero todos eles están construídos a partir de figuras reais, ou a partir do folclore vinculado a estas figuras. E isto é importante porque eu recalco moito que este libro é unha novela de ficción, pero baixo a ficción están agachadas capas de historia, pero tamén de lenda, de folclore e de imaxinario; a cantidade de cada un destes ingredientes é variable segundo a personaxe. Son portas para o lector curioso, pero non trampas para a quen simplemente lle interese gozar dunha novela. "Este libro é unha novela de ficción, pero baixo a ficción están agachadas capas de historia, pero tamén de lenda, de folclore e de imaxinario" No caso das personaxes reais fun máis ou menos coidadoso na procura dos espazos no que encravalos, e recoñezo que un dos aspectos máis gozosos da novela foi traballar a figuras como Winston Churchill, Samuel Hoare, Curuxás ou o pintor a nivel lingüístico, xa que significaba introducirse na súa psicoloxía. No caso de Curuxás, por exemplo, tiven que construír a súa personalidade a partir do folclore, das lendas, que recollín sobre el. No caso do pintor (a ver, deixémonos de historias, é Urbano Lugrís) saíume un Lugrís bastante serio, pero é que estaba nun contexto no que non podía ser o bromista que era cos seus amigos. Aí é onde entran as decisións sobre os límites da novela, por exemplo. "No caso de Camilo, efectivamente permite trasladar a O Exército de fume o conflito vivido no interior da guerrilla galega coa intervención máis decisiva do Partido Comunista" No caso de Camilo, efectivamente permite trasladar a O Exército de fume o conflito vivido no interior da guerrilla galega coa intervención máis decisiva do Partido Comunista (que, na realidade, sucedería anos despois do tempo da novela). O que me interesaba era a confrontación entre un modelo de resistencia dun carácter fortemente popular, e que se baseaba en determinado tipo de relacións, en determinado tipo de límites e accións, a outro xa baseado na disciplina dunha organización. Ese é un relato que pasou nesa época pero que sucede continuamente en Galicia, no activismo cultural e político, mesmo no día de hoxe. A organización máis disciplinada da guerrilla por parte do Partido Comunista era un paso lóxico, pero en certo xeito tamén foi un punto de ruptura, ao meu ver, nesa estreita relación entre unha parte do apoio popular e a guerrilla. A miña novela explora a idea de resistencia, pero tamén a de resiliencia. A dos apoios que van por abaixo, a dos lazos e das ideas compartidas que non se expresan en voz alta, a capacidade de sobrevivir e adaptarse. Introducir o conflito político na guerrilla era, neste sentido, un aspecto lóxico para traballar literariamente estas ideas. "A miña novela explora a idea de resistencia, pero tamén a de resiliencia. A dos apoios que van por abaixo, a dos lazos e das ideas compartidas que non se expresan en voz alta, a capacidade de sobrevivir e adaptarse" No terceiro ten que ver coas fontes. Aparte de paparme boa parte da bibliografía sobre a época, a guerrilla no país e a II Guerra Mundial en Galicia, hemerotecas, acudín e botei man de numerosas fontes orais, porque me interesaba como eses feitos se podían verbalizar, dicir. Ese é un traballo no que por unha banda procuras esas fontes vivas, e por outra banda, acaban por callar centos de conversas mantidas por todo o país, moitas veces buscando cousas distintas: alí me deixaran referencias á guerrilla, á resistencia, á represión. Nas miñas novelas sempre hai un momento no que determinadas memorias persoais cobran un sentido unitario que antes non tiñan. As novelas xorden de aí. "Acudín e botei man de numerosas fontes orais, porque me interesaba como eses feitos se podían verbalizar, dicir" Un aspecto importante neste sentido é parte do traballo de construción da novela. Case todas estas historias, na súa época real, foron moi confusas, deliberadamente discretas ou directamente secretas. Todo sucedía por atrás. Un dos aspectos máis interesantes do traballo das personaxes da novela foi xogar cos estereotipos que pode agardar o lectorado. Por exemplo, en O exército de fume hai dúas personaxes que parecerían calcadas dos estereotipos das películas sobre espionaxe e II Guerra Mundial: o alemán psicópata, Karl Brendinger, e a elegante espía británica, Annabella Duncan. Sen embargo, esas dúas personaxes -con outros nomes- existiron na Galicia do ano 1942 e foron moi, moi parecidas ás personaxes da novela. "Hai dúas personaxes que parecerían calcadas dos estereotipos das películas sobre espionaxe e II Guerra Mundial: o alemán psicópata e a elegante espía británica, Annabella Duncan. Esas dúas personaxes existiron" Unha das sorpresas do proceso de documentación -e tamén agora, xa cando o libro está nas librarías- está a ser a descuberta da impresionante escala da resistencia no rural galego durante os anos 40. Podo parecer un entusiasta, ou un flipado, ou pode dar a impresión de que o que estou é vendendo a novela, pero se non fose así non o diría. A verdade é que eu mesmo estou impresionando. Ademais, agora as lectoras cóntanme historias familiares que incrementan a miña impresión de que era un fenómeno moito máis amplo do que a xente pensa. "Unha das sorpresas do proceso de documentación -e tamén agora, xa cando o libro está nas librarías- está a ser a descuberta da impresionante escala da resistencia no rural galego durante os anos 40" Aos guerrilleiros non se lles apoiaba unicamente de maneira pasiva (deixar unha cama para durmir, dar de comer) senón de maneira activa (dicir a que hora ía pasar o falanxista polo camiño, por exemplo). E tiñan moitos, pero moitos apoios. A investigación foi cara obxectos de estudo concretos (guerrilleiros, federacións, etc.) pero apreixar esta axuda colectiva, silente, anónima, é dificilísimo e se cadra dependa máis dos antropólogos que dos historiadores. A miña conclusión desta viaxe é que esa resistencia difusa debera ser un dos nosos orgullos colectivos. Pero é posible que se esqueza no tempo sen que se teña entendido na súa total dimensión. Por iso neste libro está moi presente. "A miña conclusión desta viaxe é que esa resistencia difusa debera ser un dos nosos orgullos colectivos" Lionel Rexes, Marcos Calveiro, Xavier Quiroga e Fran P. Lorenzo. Son só algúns dos autores que se achegaron recentemente través da novela á II Guerra Mundial en Galicia. (O primeiro falando da guerrilla, ademais, en concreto). Penso que se produciu un aumento de interese cara ao tema nos últimos anos. A que cres que se debe? Como xorde no teu caso? (Penso tamén no documental de Paula Cons sobre o wolframio, tema do que escribira tamén Víctor Freixanes, por exemplo). O sorprendente de Galicia é que realmente non houbera novelas sobre a II Guerra Mundial antes, do mesmo xeito que acontece nas outras literaturas europeas, tendo en conta o impacto que a guerra tivo no noso territorio (obviamente, non comparable a unha ocupación, ou a unha participación bélica directa). A miña hipótese sobre isto é que os escritores traballamos moitas veces nas fronteiras liminais da memoria, sexa esta persoal, familiar ou colectiva. E para os autores que andamos nos corenta anos na actualidade, a II Guerra Mundial son os nosos avós, son esa liña na que ás veces se esborrallan os recordos familiares, entre os anos 30 ou 40. As persoas temos paixón por encaixar as pequenas historias nas grandes historias, e dese xogo entre o familiar, o colectivo e o imaxinario cultural actual se procede a esa química. "O sorprendente de Galicia é que realmente non houbera novelas sobre a II Guerra Mundial antes, do mesmo xeito que acontece nas outras literaturas europeas" Eu son do Barbanza, e alí a presenza da II Guerra Mundial foi moi intensa. En Ribeira había un destacamento militar alemán e os descendentes de algúns dos soldados seguen a vivir na comarca, son parte de nós. Cóntase moitas historias, e non necesariamente de wolframio, que é a "historia descoñecida máis coñecida" deste país, e cálanse aínda moitas máis. No Barbanza, nalgúns castros, os alemáns 'convertéronse' nos mouros. Nas lendas que se contaban na miña casa, tamén aparecían deste xeito, subindo á serra e roubando grandes pedras de seixo. "En certo xeito, estas son historias de mouros: os nazis son seres perigosos, con cartos e poder, que tentan aos labregos, que están vinculados ao subterráneo (wolframio), dotados de simboloxía e dun discurso misterioso" Esta dimensión lendaria dos alemáns é no meu caso tamén unha das miñas motivacións para escoller esta época. No fondo está a obsesión cultural galega polo Outro, polo que non é coma nós. Pódese interpretar boa parte da nosa tradición cultural dese xeito. Eu teño a teoría de que no interese actual que hai sobre a II Guerra Mundial en Galicia está a modernización dese mito. En certo xeito, estas son historias de mouros: os nazis son seres perigosos, con cartos e poder, que tentan aos labregos, que están vinculados ao subterráneo (wolframio), dotados de simboloxía e dun discurso misterioso. As sociedades non abandonan o folclore cando deixan o sacho. Lévano con elas, pero moitas veces camuflado. Proben a ler O exército de fume como unha historia de enfrontamento entre labregos e mouros e igual levan unha sorpresa. Queda claro no teu libro (como tamén no documental de Paula Cons ou no ensaio de Emilio Grandío), que a postura de Franco na II Guerra foi apoiar aos nazis sen cabrear demais os ingleses. Non comeza a virar ata ben avanzada a guerra. A historia que ti escolles é, principalmente, a dos submarinos. Por algunha razón especial? (Quiroga escollera unha historia de grande potencia literaria, o posible paso de Hitler por Galicia na súa suposta fuxida...) Si, como dicía antes, no Barbanza, e en Galicia, o impacto da II Guerra Mundial non só tivo que ver cos recursos mineiros, senón en gran medida pola posición marítima estratéxica. Un dos meus primeiros recordos é o meu avó materno contándome, na cama, historias de submarinos alemáns, e miña avoa berrándolle por 'embaballar ao meniño'. Tamén a el, cun colega seu, falarme dos avións alemáns, e dos barcos, e dalgunhas aventuras estrañas as que aínda lles estou dando voltas, por saber canto delas era un conto para nenos e canto realidade. Na miña familia paterna tamén teño historias desas, medio soterradas, de ir co barco a alta mar a levarlle subministros aos submarinos nazis. A escena do pesqueiro San Roque, contada no libro, como un pesqueiro navegando pola noite en alta mar para atoparse co submarino, é parte desa memoria familiar. Eran familias de mariñeiros republicanos -a un dos meus avós salvouno in extremis un amigo cando xa estaban para fusilalo no alto de Moldes, entre a Pobra do Caramiñal e Palmeira- que tiñan que sobrevivir no novo mundo como fora. "Que toda esta relación cos submarinos fose moi discreta e secreta levou a numerosas inexactitudes e lendas. E iso é interesante" A escolla dos submarinos ten que ver co que te comentaba antes: estamos falando duns sucesos que, en gran medida, desapareceron no tempo, debido ao secreto co que se levaban; algúns deles consérvanse na tradición oral e outros son difíciles de solucionar. Por exemplo, a intelixencia británica describe nun informe a existencia dunha cova preto de Cariño (interpreto que debe ser unha furna) na que se gardaban os subministros para os submarinos. Que toda esta relación cos submarinos fose moi discreta e secreta levou a numerosas inexactitudes e lendas. E iso é interesante. Nunha novela (e mesmo tamén na historia) as lendas son moi relevantes, se se toman como iso, como lendas. "Parte do xermolo desta novela está tamén noutra lenda que eu recollín oralmente, ao redor dun ataque da guerrilla a un destacamento alemán de apoio loxístico aos submarinos ubicado na zona de Fisterra" Parte do xermolo desta novela está tamén noutra lenda que eu recollín oralmente, pero que tamén figura en crónicas xornalísticas dos 80, ao redor dun ataque da guerrilla -apoiada polos aliados- a un destacamento alemán de apoio loxístico aos submarinos ubicado na zona de Fisterra, con represalias posteriores dos alemáns ás familias dos guerrilleiros. Ten toda a traza de ser un conto, xa que non hai constancia, que eu saiba, dun equipo alemán na zona, nin tampouco dunha acción guerrilleira nese sentido, pero esa historia dun enfrontamento entre guerrilleiros galegos e nazis, a un amante do cine e literatura de xénero coma min, parecíame demasiado saborosa para non explorala literariamente. A túa e, malia todo, é máis que nada unha novela de espías, (case de aventuras...). Quero dicir, que procura un formato, supoño, de literatura popular. Tamén polo estilo. E non sendo unha narración totalmente lineal. (Vai alternando as vidas dos distintos personaxes...). Pensáchela así, coma unha novela para todos os públicos? Por que? (Digo porque as principais editoras penso q están a apostar moito por iso ultimamente. Só hai q ver toda a novela policial/negra, que está a saír). Si, é unha novela de guerra e de espías. Hai combates no mar, aéreos, sabotaxes, execucións e asasinatos, amor, odio, traizóns e bastante acción. Iso é o que busquei, iso é o que me apetecía facer. Quería escribir unha novela que fose moi entretida, con ritmo rápido, sen renunciar a que ese relato entrase -sen necesidade de facelo explícito- en aspectos un pouco escuros da nosa memoria colectiva. Eu creo que non hai unha única literatura, hai moitas literaturas, moitos xeitos de facer as cousas e de chegar á xente. "Eu estou interesado en chegar a moitos públicos, pero de maneira especial a ese que coñezo ben a partir de case vinte anos de xornalismo e divulgación dixital" Eu estou interesado en chegar a moitos públicos, pero de maneira especial a ese que coñezo ben a partir de case vinte anos de xornalismo e divulgación dixital. Son persoas cultas que están/estamos absorbidos polo ritmo frenético, laboral e humano, das nosas sociedades, nas que e dificilísimo conciliar a vida laboral coa familiar e cun pouco de desenvolvemento persoal. Quero chegar a eses lectores interesados pola historia, a cultura e a identidade do país, pero que se desfán en anacos de cansanzo cando chegan á súa cama. "Quero facer literatura de calidade, que indague en aspectos ás veces incómodos da nosa identidade, pero adaptada para un lector do ano 2018" A estrutura de capítulos curtos, por exemplo, e de tramas que van saltando, está feita pensando nese lectorado. Así mo din eles. "Podo deixar a lectura sen cargo de conciencia", díxome un lector o outro día, e coido que define ben moitas cousas da nosa relación actual coa lectura. Quero facer literatura de calidade, que indague en aspectos ás veces incómodos da nosa identidade, pero adaptada para un lector do ano 2018. É un lectorado que o ten moi difícil, a nivel persoal, para poder ler todo o que lle gustaría. Eu quero estar aí con elas e eles. E quero que estean na literatura en galego. Os personaxes arrastran as súas contradicións tamén. É interesante, ao respecto, o pai de Celia cos seus segredos, ou a incomodidade de Ramallo coa súa propia sona. (El sabe que é un medoso). Ao tempo, saen nos diálogos algúns dos debates que debeu ter a guerrilla... (Que me fixeron pensar no Curuxás de Cándido Pazó). De que maneira quixeches reflectir esas contradicións? (Moi ben tratadas, por certo, no libro de Lionel) Os tres protagonistas da novela, a mestra Celia Pardo, o guerrilleiro Ramallo e o pintor Urbano Lugrís teñen algo aparentemente en común, malia non coñecérense entre eles. Todos teñen unha fenda no seu pasado, unha débeda, unha creba. Ás veces esa fractura parece menor e resulta determinante, outras veces ese pasado é aínda peor do que parece. O que provoca a guerra neses momentos é unha aceleración das súas vidas, da forma en como resolven e se enfrontan, conscientemente ou non, ao seu pasado. Son esas fracturas, por certo, as que as conectan coas personaxes secundarias, como Emilio Pardo. A fractura, moitas veces, está sen cicatrizar nas persoas que os rodean. "Interésanme as personaxes contraditorias. Abúrrenme as personaxes que son lineais cando é posible facelas doutro xeito" Interésanme as personaxes contraditorias. Abúrrenme as personaxes que son lineais cando é posible facelas doutro xeito, porque sempre teño a sensación de que detrás delas hai un propósito catequizador, e odio iso na literatura. Ademais, eu non tiña dúbidas de que cando escribía a historia de toda esta xente, estaba a falar de heroes e heroínas, de Celia a Charo, pasando por Regos e Ramallo. Desde a propia antigüidade, os relatos de heroes sempre se caracterizan porque os heroes non son perfectos coma os deuses. Os heroes teñen defectos, problemas, circunstancias, vulnerabilidades. Aquiles ten un talón, Cúchulainn ten as géasa ou os xuramentos que creba. A contradición, a problemática, o defecto ademais é sempre ambivalente. Carmela Figueiras, que na novela é o enlace máis importante da guerrilla no interior da provincia da Coruña, sabe que o medo de Ramallo é unha virtude no mundo no que vive. Se cadra, noutras circunstancias, ese medo sería un gran problema, ata o punto de que Ramallo deixaría de ser un heroe. Interésame iso. Entendo que non é un libro de Historia nin unha crónica xornalística, mais hai algúns detalles que, como lectora, non me acababan de encaixar... Por exemplo, o apoio case que sen fisuras da poboación galega á guerrilla. Os historiadores están de acordo en que a guerrilla non tería durado nin dous días sen iso mais..., a represión sobre os "guerrilleiros de chaira" foi brutal e iso tamén provocou que lles pechasen portas aos guerrilleiros. Non sei se iso está moi representado na novela... Si, pero a represión e a presión brutal sobre a guerrilla produciuse algúns anos despois do 42. É cando remata a II Guerra Mundial e o réxime se consolida internacionalmente cando Franco decide acabar coa guerrilla botando man do que faga falta. Trae coroneis especializados, e moi despiadados, despraza moitos efectivos e cantidades de diñeiro para subornos, conseguen introducir espías na guerrilla e comeza a cacería, as delacións, etc. O panorama no ano 42 é notablemente distinto, moito máis favorable á guerrilla, con moito apoio popular. "É abraiante que despois dunha represión brutal de miles de mortos na Guerra Civil, a xente estivese disposta a soster e apoiar aínda aos que estaban no monte" É abraiante que despois dunha represión brutal de miles de mortos na Guerra Civil, a xente estivese disposta a soster e apoiar aínda aos que estaban no monte. Non só os fuxidos, senón os outros. Os xusticeiros. Ou se cadra foi por iso mesmo. Tanto nos estudos como no que me contaron as fontes orais, hai unha estampa que explica o apoio social da guerrilla: a dos bailes e festas, nas que dunha banda do campo da festa está a parella da Garda civil e da outra están os guerrilleiros. Alí están mirándose mutuamente e sen atacarse, porque a Garda civil sabe que non ten forza nin apoios. Poderiamos enriquecer máis a trama no ámbito do apoio popular á resistencia, pero o libro xa se escapaba totalmente. "Caeron case todos, claro. Pero o abraiante foi o tempo que resistiron e o que foron capaces de facer" Agora ben, no que comentas, hai algo moi interesante. A maior parte dos relatos ao redor da guerrilla fan énfase, sobre todo, nas súas caídas. É un pouco o da primeira pregunta. Ese gusto noso pola derrota, alí onde os bos e os malos se definen con claridade e consenso. A min interesábame máis ben o feito de que esta xente fíxolle fronte durante moitos anos a un exército e a un poder que acababa de vencer unha guerra. Quería contar a historia non da súa caída, senón do momento no que estaba operativa, que era temida e que cometía numerosas accións contra ese poder. Quero contarllos, por exemplo, ás novas xeracións. Caeron case todos, claro. Pero o abraiante foi o tempo que resistiron e o que foron capaces de facer. No mesmo sentido, penso que tratas de facer xustiza á memoria das mulleres da guerrilla (seguindo o investigado por Aurora Marco, quizais). É así? Por que? En relación con iso, por que escolles contar a historia, en boa medida, a través dun personaxe da posición social de Celia? (Que dalgunha maneira responde a motivacións alleas a ela e non acaba de entender o que pasa). O traballo de Aurora Marco é moi importante non só pola historia das mulleres, senón porque nos desvela como facendo preguntas diferentes sobre a resistencia, de súpeto se nos abre un mundo moito mais amplo que o dos propios guerrilleiros. É dicir, non só é unha cuestión de xustiza ao redor do papel da guerrilla, senón tamén é unha reclamación para comprender que ás veces os focos, os méritos e as forzas, non só están nun lugar. Póñoche un caso menor pero que ten que ver coas preguntas. É impresionante a relación entre os guerrilleiros e os castros. Teño recollido varias historias ao redor de como tanto fuxidos como guerrilleiros empregaban os castros como lugares non só de control do contorno, senón tamén aproveitando as condicións de fácil fuxida que teñen moitos deles. Só cando se cambia o foco se obteñen respostas novas que complementan o coñecemento anterior. "O realmente interesante (e dramático) acontecía cando as mulleres subían ao monte. Alí é onde o mundo se creba, onde se dan numerosos dramas familiares, de identidade" A incorporación das mulleres da resistencia á novela foi basicamente natural. Non podo (nin eu nin ninguén) entender este fenómeno sen o papel das mulleres, tanto no apoio loxístico como enlaces como directamente no combate e na acción guerrilleira, como se deu nalgúns casos. Pero as guerrilleiras teñen un punto fascinante obvio: ata certo punto, na cultura da época, que os homes subisen ao monte podía ser lóxico. O realmente interesante (e dramático) acontecía cando as mulleres quixeron ou tiveron que facelo. Alí é onde o mundo se creba, onde se dan numerosos dramas familiares, de identidade, de relacións de amor, de problemas dentro dos propios grupos guerrilleiros. Son un factor disruptivo. Na casa lemos con devoción as historias de moitas delas. Son historias tan atravesadas pola dor que non deixan indiferente. "Partir no relato de Celia, unha moza burguesa, permitíame moitas cousas. En primeiro lugar, pasar da resistencia á espionaxe, que son cousas distintas" Partir no relato de Celia, unha moza burguesa, permitíame moitas cousas. En primeiro lugar, pasar da resistencia á espionaxe, que son cousas distintas. Se a resistencia está sobre todo (aínda que non só) baseada nesa rede popular, de aldea en aldea, a espionaxe dos aliados (igual que a actual) pasa por capilarizarse entre diferentes estratos da sociedade, e está moi presente alí onde se podía obter información de valor sobre a política de Franco, é dicir, na clase alta. Celia permitíame operar coa outra banda da historia, alí onde os aliados teñen redes que proceden mesmo de épocas anteriores á guerra. Con Celia podía prestar atención a outras canles de comunicación a partir dunha personaxe que vai medrando ao longo da novela. Como novela de vocación "popular", algo ten de "rosa", a través do personaxe de Celia. Mais máis interesante que a súa descuberta (un pouco clasista) do amor, é a súa evolución como persoa. Aprendendo de mulleres da clase traballadora, mesmo de dereitas e relixiosas, moito máis libres ca ela. Podes explicar o que representa este personaxe en relación con iso? Este é un tema moi interesante. Sen dúbida ningunha, Celia é a personaxe que máis evoluciona dentro da novela. É moi noviña e ten idade para poder cambiar, é moi intelixente e perspicaz e os feitos traumáticos do seu pasado pero tamén do presente, aceleran a súa agudeza. Aínda que non sabemos que pasa con case todas personaxes da novela despois dos feitos, no caso de Celia demóstrase que vai ser a que siga disposta a loitar, ao seu xeito.O personaxe de Celia é moi importante para min, porque procede dunha sorpresa. Ás veces teño entrevistado a anciáns e anciás de clase alta do país que viviron a Guerra Civil. O meu pasmo era escoitalos: parece que falaban da Guerra coma nun balneario. "Ás veces teño entrevistado a anciáns e anciás de clase alta do país que viviron a Guerra Civil. O meu pasmo era escoitalos: parece que falaban da Guerra coma nun balneario" Esa época coincidía coa súa mocidade, e o que lembraban eran as festas, as verbenas, os deportes, as amizades, as excursións! Eran de dereitas e crían de corazón que se esta formando unha "España nueva". Un rapaz que estivo destacado en Ávila coa Lexión Cóndor, por exemplo, falábame marabillas de aqueles alemáns e das esmorgas. Cando eu intentaba aproximarme ao tema da represión era onde lles descubría un pouco a trampa. Fuxían do tema, ou despachábano de contado, e volvían á súa burbulla irreal. Aí dábaste conta de que neles tamén operaba un drama interno ao respecto. Pero eran unhas memorias tan distintas ás da miña familia, ás dos meus, tan cheas de dor e medo! "Ás señoritas da época tratábanas como figuras infantilizadas, como ben sabemos, con fins moi determinados na vida" O que quero dicir é que a personaxe de Celia, aínda que non é unha entusiasta do fascismo da nova España, non ten excesivas dificultades porque foi educada nunha especie de mundo paralelo, e incluso durante a Guerra, internada nunha escola na que non percibía nada diso. E non só: ás señoritas da época non se lles falaban destes temas. Ás señoritas da época tratábanas como figuras infantilizadas, como ben sabemos, con fins moi determinados na vida. Por suposto que era clasista, aínda que fose de xeito inconsciente. Era dificilmente concibible un amor entre ela e un canteiro. Pero é que tamén é posible que se os pais de Brais de Brantuas se enterasen das súas querenzas pola mestra tamén lle darían a el coa legoña no lombo, porque había que casar traendo terras. É só cando sae do seu mundo cando as cousas comezan a suceder. Porque ao saír do universo de control do pai e do seu mundo é cando ela comeza a construír o seu, aínda que sexa ás atoutiñadas. E atoparse con mulleres fortes provoca nela un gran cambio. Decátase de que mesmo en marxes estreitas hai oportunidades. Esa mesma non sei se distancia coa historia prodúcena tamén os personaxes dos militares alemáns, que están convencidos de estar a facer o correcto, o que facilita que o lector empatice, tamén, con eles. O que quero dicir é que (hai que ter en conta tamén que a novela acaba no 42), penso que se destaca bastante como a Historia arrastrou os personaxes (como lle pasa ao pintor de mares para os nazis). Como se tentase evitar un certo maniqueísmo (malia estar claro de que lado está o narrador). Pensaches niso así? Por que? Un dos temas ao que lle din máis voltas na confección da novela era a representación dos alemáns. Hai uns cantos na novela e todos son bastante distintos entre si. A primeira cuestión, moi importante, era decatarse de que o nazi creado polo cine e a literatura actual, ese nazi de despois de Auschwitz e o Holocausto, non é o nazi que os galegos e galegas do ano 42 coñecen. Para empezar, aquí non son nazis, son alemáns. E son educados, pacíficos, veñen facer negocios, teñen cartos, son cultos, aseados e por enriba hai un universo de propaganda, moi ben feito, moi moderno, que os presenta como os salvadores do mundo. Están asentados xa desde ben antes da guerra en núcleos como Vigo e forman parte da súa vida social. Todo iso é moi importante, por exemplo, á hora de entender o papel de Lugrís na relación con eles. Só os superviventes moi politizados, ou a xente moi, moi informada, sabe o que pode haber detrás deses estranxeiros ben traxados. E nin sequera eles o saben todo. "O nazi creado polo cine e a literatura actual, ese nazi de despois de Auschwitz e o Holocausto, non é o nazi que os galegos e galegas do ano 42 coñecen" O segundo é o feito de que a novela non pasa en Berlín nin na fronte rusa. Para un oficial de intelixencia alemán, durante a guerra, este é un destino apracible. Si, teñen que facer homenaxes ao Führer no consulado, controlar os espías británicos, andar no contrabando de mineral, etc. Pero non está sometido a tensións, e as decisións son relativamente pouco conflitivas, ou marcadas polo estrés. Non tería sentido presentar uns alemáns ultraperversos ou moi radicalizados pola guerra. A cousa non era así. Sabémolo ademais polos soldados da Kriegsmarine que pasaron parte da guerra no Arsenal de Ferrol, ou cousas similar. Aquí é todo máis técnico que ideolóxico. A ideoloxía está, de algún xeito, en Berlín, moito máis controlada polo aparato do Partido. Aínda que o Partido nazi está en Galicia neses momentos, e sábeo todo da comunidade alemá, non é o mesmo que no medio da guerra. "Non tería sentido presentar uns alemáns ultraperversos ou moi radicalizados pola guerra. A cousa non era así" Estes días abordoume unha lectora que estaba vinculada ás axencias de viaxes do país nos anos 80. E falábame de como, nese momento, coincidindo coa xubilación, viñan numerosos alemáns a Galicia para atoparse coa terra na que estiveran durante a guerra. Querían, coma o capitán do U-966 afundido na ría de Ortigueira, manter vínculos con aquela terra que os acolleu no seu momento. Era unha relación emocional. O outro aspecto é a percepción por parte dos galegos, que acababan de saír dunha guerra terrible. "Supoño que a posición de moita xente, a diferencia do que pasaba na Galicia da I Guerra Mundial, era que lles daba exactamente o mesmo quen gañase" Supoño que a posición de moita xente, a diferencia do que pasaba na Galicia da I Guerra Mundial, era que lles daba exactamente o mesmo quen gañase. Xa lles daba igual todo, agás tentar saír para adiante. Un fenómeno tremendo, moi pouco coñecido, e que apenas esbocei na novela, era o dos pesqueiros galegos que ían a Terranova. Os nosos paisanos estaban metidos no medio daquel mar, pescando, no medio e medio da guerra mundial, co mar inzado de submarinos e destrutores! Un certo número deles foron afundidos, ás veces por aliados, ás veces por alemáns. É unha historia bastante escura e confusa, pero que encaixa nas motivacións dalgunhas das personaxes da novela. "Hai nas dúas novelas a mesma querenza: a de presentar unhas clases populares galegas activas, con capacidade de acción" Tamén a túa novela anterior tiña algo de novela histórica, de novela negra, da historia convertida en lenda popular... Cal é a conexión entre os dous libros, ao respecto? Pois eses que enumeras! Pero ademais diso, querería resaltar unha outra cousa. Hai nas dúas novelas a mesma querenza: a de presentar unhas clases populares galegas activas, con capacidade de acción. Non son uns sufrintes, uns mártires. Son xente que é capaz de enfrontarse a problemas terribles, con solucións enxeñosas. Que ás veces perden, ás veces gañan, e outras veces non sabes se perden ou gañan. Non son santos, nin malvados. Son superviventes. Ese é o mundo que eu quero representar, a través dunha literatura con códigos modernos. O mundo da miña xente, un mundo do que eu veño. |
PRAZA_10551 | O presidente defende a importancia do texto que presenta no Parlamento dez anos despois de considerar a demografía o primeiro reto de Galicia na súa primeira investidura | O presidente defende a importancia do texto que presenta no Parlamento dez anos despois de considerar a demografía o primeiro reto de Galicia na súa primeira investiduraTras pedir o Goberno galego "consenso" arredor da lei de de impulso demográfico que vén de presentar no Parlamento, este mércores o presidente Feijóo menosprezou as propostas que lle fixo a oposición con frases como que "leccións de demografía do PSOE non imos recibir ningunha" ou que as ideas lanzadas polo BNG son "frivolidade" e "improvisación". A oposición, pola súa banda, considera que o texto proposto pola Xunta non chega a ser unha lei senón unha declaración de intencións sen medidas executivas pensada só en clave propagandística.A sesión de control ao Goberno deste mércores no Parlamento centrárona tanto PSdeG como BNG no proxecto de lei de impulso demográfico que a Xunta vén de presentar na Cámara. As dúas formacións afearon ao presidente que a iniciativa chegue agora tras o que consideran unha década de inacción ao respecto. O propio Feijóo salientou que el mesmo presentou o devalo demográfico como principal reto de Galicia no seu primeiro discurso de investidura como presidente en 2009, pero insistiu en que o problema vén de atrás e non apareceu durante os seus gobernos: "Ía a unha escola rural dos Peares cando isto estaba a ocorrer no país", dixo. "It's the economy, stupid", díxolle Pontón a Feijóo parafraseando a Bill Clinton sobre os motivos do devalo demográfico galego"Resulta que neste país o PP leva gobernando 30 anos", evidenciou a portavoz do BNG, Ana Pontón, que asegurou que as "medidas natalistas" non son eficaces e puxo o foco na necesidade de mellorar a economía en xeral do país apostando pola industrialización dos sectores básicos e o I+D para que as galegas se animen a ter fillos. "It's the economy, stupid", chegou a dicir a nacionalista, lembrando a frase empregada durante a campaña electoral estadounidense de 1992 de Bill Clinton fronte a George Bush pai."Xa hai quen di que en Galicia o mellor anticonceptivo son as políticas do señor Feijóo", di LeiceagaPola súa banda, o portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, puxo o foco na mellora da igualdade e en garantir ás mulleres a continuidade das súas carreiras laborais despois de ter fillos, entre outras medidas que citou doutras comunidades ou países fronte a un proxecto de lei presentado pola Xunta que presenta como "unha mera declaración de intencións" xa que "unha lei prescribe e prohibe, e esta en xeral non o fai". O texto da Xunta, considera o socialista, supón "ir á guerra con armas de xoguete", e citou entre outras medidas contempladas nel como reservas de aparcamento para familias. "Xa hai quen di que en Galicia o mellor anticonceptivo son as políticas do señor Feijóo", dixo.Manuel Lago estreouse como portavoz do grupo de En Marea preguntando por medidas futuras da Xunta contra a desigualdade e Feijóo centrou a súa resposta en asegurar que a situación actual é mellor que co bipartitoPor outra banda, na sesión de control deste mércores Manuel Lago estreouse como portavoz do grupo de En Marea tras a marcha do anterior voceiro, Luís Villares, ao Grupo Mixto. Tamén en clave económica, Lago preguntou a Feijóo polas medidas que pensa implantar a Xunta no ano que queda de lexislatura para reducir a desigualdade, unha intervención na que non empregou todo o tempo que tiña dispoñible en expoñer plantexamentos políticos senón que optou por centrarse na formulación da cuestión concreta. Porén, Feijóo respondeu limitándose a dicir que seguirá a aplicar as medidas acordadas coas entidades sociais galegas sen detallalas e empregando a maior parte do tempo das súas réplicas para asegurar que a situación de Galicia hoxe é mellor que co bipartito que o antecedeu hai xa máis dunha década. |
NOS_9761 | Os ángulos mortos do imperio Inditex son cada vez menos descoñecidos: a explotación laboral en empresas provedoras situadas en afastados países ou a enxeñería financeira para eludir impostos son algúns deses ángulos. Mais hai outros que continúan a ser ignorados polo gran público e que afectan centos de galegos, como as condicións laborais na montaxe de tendas e almacéns da multinacional por todo o mundo. Eis un extracto da reportaxe publicada no semanario Sermos Galiza 259. | O 1 de agosto delegadas e delegados do sindicato CIG ocupaban simbolicamente unha tenda de Zara nun centro comercial da Coruña, acción coa que denunciaban a "precariedade" e "explotación" á que están sometidas as persoas que traballan na montaxe de tendas do grupo téxtil no exterior. "Non é un problema dunha empresa en concreto", explícanos Mario Maceiras, da Federación da Construción do sindicato nacionalista, "senón dun microcosmos de empresas galegas que traballan case en exclusiva para Inditex e onde as condicións laborais deixan moito que desexar". Goa Invest, a contratista de Inditex, era o albo último desta acción de protesto. Maceiras lamenta que desde a contratista se "premie" aquelas compañías máis desreguladas. "Semella que se beneficia máis aquelas empresas que non respectan nin horarios, nin convenios...". A acción na Coruña tivo xa un efecto: Goa Invest aceptou reunirse cunha delegación sindical, xuntanza que terá lugar cara a finais de mes. As condicións laborais das persoas que traballan na montaxe de tendas e almacéns degradáronse a pasos axigantados ao longo destes anos: convenios incumpridos, xornadas laborais interminábeis e nas que non se retribúen nin recompensan as extras, contratos que non reflicten a realidade... Antes, lembran algúns dos veteranos, os salarios que lles pagaban eran relativamente altos e compensaban en parte a dureza das condicións. Agora xa non. [Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 259, á venda na loxa e nos quiosques habituais] |
NOS_46274 | Asime presenta un informe cos datos do sector do primeiro semestre, no que destacan a caída da facturación e das exportacións. | A Covid-19 deixouse notar nos resultados do primeiro semestre do sector metalúrxico galego, con descensos históricos en sectores chave como o da automoción. Segundo recoñece o secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas da Galiza (Asime), Enrique Mallón, foi un semestre "negativo ou moi negativo" para o sector, pero apuntou que a industria metalúrxica galega está capacitada para reactivar a súa fortaleza, e fixou como horizonte a segunda metade de 2021 para a súa recuperación. En concreto, nos seis primeiros meses do ano, a facturación do sector, que engloba actividades como a automoción, o naval, a aeronáutica ou as estruturas metálicas, acusou unha caída de 22% con respecto ao mesmo período de 2019, até situarse nos 5.300 millóns de euros. O emprego, con 55.600 persoas ocupadas no sector, acusou tamén un pronunciado descenso de 16%, tres veces máis que no Estado español (5%). A industria do metal representa 20% do PIB da Galiza e 41% das exportacións, mais a crise da Covid-19 tamén afectou á balanza comercial do sector, cun descenso de 12% nas exportacións e 27% nas importacións. Por actividades O balance semestral presentado por Asime, destaca o descenso do emprego en actividades como a automoción (incluído tamén o transporte e o metal-mecánica) que perdeu no período 25% dos postos de traballo, aínda que menos que a súa facturación, de algo máis de 3.000 millóns de euros, que caeu 30%. Así, a fabricación de coches descendeu 29% na Galiza no primeiro semestre, o que fixo baixar as exportacións e tamén tivo reflexo nos datos de matriculación (44,4% menos). Con respecto ao naval e á súa industria auxiliar, o primeiro semestre fechou con 8.300 empregos, 15% menos, e a facturación caeu na mesmo porcentaxe, até os 230 millóns. Galiza logrou amarrar neste período 3 novos contratos dos 14 que se asinaron a nivel nacional (4 menos que en 2019) e os pedidos en carteira foron 23 de 52 (7 menos). A crise provocou unha caída abrupta das exportacións, que descenderon 80%. A aeronáutica galega tamén sufriu de forma notábel na primeira metade do ano, cun descenso acusado da actividade das aeroliñas, e perdeu 13% do emprego (quedou con 1.087 traballadores) e 14% da facturación, até 67 millóns de euros. A súa actividade exportadora, con todo, disparouse e creceu 121%. Pola súa banda, a construción de estruturas metálicas facturou no primeiro semestre 474 millóns de euros, 10% menos e fechou o período con 15.580 traballadores, 5,5% menos. Medidas de contención Ante este escenario, o secretario xeral de Asime apostou en manter a cooperación entre empresas e Administración, pediu que se alonguen os préstamos ICO (cunha nova moratoria para o pagamento), reformar e mellorar os plans de formación e facer fronte común para optar ás axudas do fondo europeo de reconstrución económica, nas que Asime está a traballar con varias entidades asociadas con proxectos vinculados ao 'pacto verde' europeo, ás enerxías renovábeis, á automatización, dixitalización e formación. |
NOS_8178 | O deputado nacionalista lamentou unha "nova discriminación da Galiza en materia ferroviaria". | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou esta terza feira unha batería de medidas para demandar que a Galiza estea incluída na proposta de autoestradas ferroviarias, presentada onte polo Goberno español no documento Mercancías 30, que foi elaborado polo Ministerio español de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma). O Goberno estatal exclúe a Galiza das autoestradas ferroviarias de mercadorías Esta iniciativa, que pretende "potenciar o transporte ferroviario de mercadorías como eixo que vertebre as cadeas loxísticas multimodais", non inclúe en ningún dos seus trazados a Galiza. O que, de "non rectificar", tería "graves consecuencias para o tecido empresarial e a economía galega", en palabras do deputado nacionalista. Neste sentido, Rego cualificou a proposta como unha "nova discriminación da Galiza en materia ferroviaria". Portugal anunciará "proxectos ferroviarios de alta velocidade" coa Galiza antes de fin de ano Para o deputado do BNG, é "contraditoria" a decisión de non incluír a Galiza no mapa de autoestradas ferroviarias de mercadorías "co feito de que nos orzamentos figurasen partidas por importe de 275 millóns de euros na Galiza para o desenvolvemento da rede TEN-T. Isto lévanos a pensar que nos plans do Goberno español non se acha a execución destas partidas". "Nova discriminación" coa Galiza "Non hai ningunha razón para esta exclusión. É unha nova discriminación coa Galiza; máis unha vez, o Goberno español esquécese do noso país nunha decisión que, se non se muda, terá consecuencias moi negativas para a economía galega e a competitividade das empresas galegas", insistiu Rego após presentar a batería de medidas para pedir que se modifique a o documento do Mitma. "Medida antisocial e antigalega": O BNG rexeita a instalación de peaxes en autovías Para o deputado, esta proposta, sumada ao feito de que "o Goberno do Estado español está falando de implantar peaxes nas autovías" podería agravar a situación dos traballadores e empresas de transporte de mercadorías por estrada, "ao mesmo tempo que se nega a posibilidade de que boa parte dese transporte se produza por ferrocarril". Rego comprometeuse a seguir traballando para evitar unha nova discriminación á Galiza e conseguir que "estea presente" nas decisións do Goberno español. |
QUEPASA_659 | A Consellería de Economía, Industria e Comercia denega os ERTES da frota de baixura. A frota pregúntase como van manter a distancia de seguridade con 10 traballadores a bordo en 20 metros de eslora; como se pode traballar no mar cos EPIs. | Xa instou ao Patrón Maior para enviar unha carta ao Ministro. Pero o alcalde de Malpica vai máis alá. Ante a complicada situación da pesca costeira, Walter Pardo esixe tamén á Xunta que asuma resposanbilidades coa problemática da frota de baixura. Esixe que a Consellería de Economía, Emprego e Industria recoñeza a existencia de causa de forza maior temporal, para proceder a autorizar os ERTEs solicitados. Pide ademais a mediación da Consellería do Mar para que as embarcacións malpicás que solicitaron os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego vaia adiante, pois están volvendo denegados deixando desamparados aos mariñeiros da flota malpicá. Uns ERTES avalados por causa de forza maior, pois se ben son considerados actividade esencial, non poden cumprir coas medidas sanitarias e de seguridade e o peixe está sufrindo unha caída de prezos que nalgún caso alcanza o 75%, sobre todo a raíz do peche da hostalería. Metro e medio de distancia? EPIs a bordo? Traslados un a un? "Na frota de baixura en Malpica, a maioría das embarcacións teñen 9 ou máis traballadores e non superan os 20 metros de eslora, e tanto polas dimensións, como pola estrutura e distribución dos espazo nos barcos, e o tipo de traballo que se realiza é imposible na práctica manter unha distancia mínima de separación de 1,5 metros. Como tampouco é posible que non estean máis de 5 persoas en espazos comúns", explica. Ademais, os mariñeiros tamén están obrigados a traballar dotados de EPIs, especialmente, guantes e máscaras de cara, equipamentos na súa maioría imposibles de conseguir dado a situación de desabastecemento destes produtos, e ademais que non funcionan nas condicións húmidas dunha embarcación. Por último, os mariñeiros da frota tamén están obrigados a cumprir coas limitacións á mobilidade decretadas no marco do estado de alerta. Tendo en conta que na maioría das ocasións, os nosos barcos, saen a pescar dun porto e desembarcan nun punto distinto da costa e as súas tripulacións igualan ou superan os 9 mariñeiros, resultan necesarios traslados que nas actuais condicións tampouco se poden realizar posto que nas furgonetas das empresas apenas podería viaxar o 50% da tripulación.A opción de contratar servizos de transporte extra tampouco resulta viable economicamente. |
NOS_7622 | A Audiencia Provincial de Madrid levanta o secuestro de Fariña, o libro de Nacho Carretero (A Coruña, 1981) sobre o narcotráfico galego. Unha xuíz do xulgado número 7 de Collado-Villalba decidira retiralo das librarías a raíz dunha denuncia do ex alcalde do Grove Alfredo Bea Gondar, aludido en varias partes do traballo. | Mais a Audiencia Provincial dá agora a razón ao recurso interposto pola defensa do xornalista e mais da editorial Libros del KO, segundo vén de confirmar nas redes sociais esta última. Fariña (2016) poderá regresar aos andeis das tendas. A versión en galego, que Edicións Xerais xa tiña practicamente lista no intre da primeira decisión xudicial, verá así o seu camiño despexado. Nos meses que durou o secuestro xudicial, a obra adquiriu especial notoriedade, tamén grazas ao éxito da serie de televisión baseada na mesma. Ao tempo, publicouse en portugués. |
PRAZA_14794 | O electorado que participou nos comicios do 21-O pero non votou por ningún partido ou apoiou a Escaños en blanco constitúe un inexistente grupo parlamentario que as forzas políticas observan como unha mostra máis da desafección | Foi unha das cifras máis observadas ao longo da xornada electoral do 21 de outubro e mesmo unha das máis cuestionadas a posteriori. A abstención, non só entendida en sentido estrito -persoas que non foron votar- senón tamén estendida a quen si votou pero non o fixo por partido ningún ou ben pola candidatura denominada Escaños en blanco (EB) é unha das principais preocupacións das forzas políticas que tentaron, sen éxito, minimizala durante a campaña. Así e todo as cifras son elocuentes e atendendo aos resultados provisionais dos comicios é posible afirmar que unha cifra próxima á metade do corpo electoral opta, por acción ou omisión, por non decidir directamente a composición do Parlamento de Galicia. Co voto emigrante aínda sen cuantificar -neste censo a abstención é moi alta pola implantación do voto rogado- os rexistros oficiais amosan que acudiu ás urnas o 63,80% do electorado e que, polo tanto, non o fixo o 36,20%. Pero este dato, xa preocupante por si só, é aínda máis revelador se é analizado xunto a outros: os dos votos brancos e nulos e mais os dos sufraxios que foron parar ao devandito partido Escaños en blanco, que tiña como única e rechamante proposta non ocupar os escanos que puidesen lograr para así protestar contra o actual sistema político. EB obtivo 17.116 votos que supoñen o 1,19% do total. Se a estes se engaden os 38.410 votos en branco e os 37.472 nulos dá como resultado 92.998 persoas que participaron activamente no proceso sen optar por ningunha opción de representación real. Neste contexto, eses máis de 90.000 votos supoñen xa unha virtual quinta forza política do Parlamento que, se puidese ver traducido o seu apoio electoral na Cámara, estaría ao bordo de lograr o grupo parlamentario propio -cinco escanos-. Ao tempo, estes votos sumados á bolsa de electorado propiamente abstencionista, cifrado pola Xunta en 832.678 persoas, supoñen que 925.676 persoas decidiron, por motivos diversos, non apoiar a ningún partido ou coalición electoral. A difícil interpretación da abstención Pero, que significan estes números? Son a tradución electoral da desafección política que amosan as enquisas? Trátase dunha mestura de descontento e desleixo cara á cousa pública? Sexa como for, o certo é que ao longo da campaña electoral todas as forzas políticas tentaron, en maior ou menor medida, espantara pantasma da abstención. Así, por exemplo, dende o PSdeG o seu candidato apelaba ás persoas enfadadas polos recortes para advertir de que "un país non se cambia chorando, cámbiase votando" e instalas a convertir as papeletas electorais na "mellor pancarta". Pola súa banda, o BNG animaba a "concentrar" o voto nas súas candidaturas como mellor mostra de rexeitamento aos recortes do PP. Pola súa banda, Alternativa Galega de Esquerda formulou como principal reto electoral mobilizar o voto que tiña decidido ficar na abstención, "activar o electorado desencantado". Feijóo di que o PP "representa tamén aos que non foron votar" porque "mandaron unha mensaxe" Tamén o PP apelou durante a campaña electoral á participación, se ben non tan directamente ao votante potencialmente descontento. Si o fixo a posteriori por boca do propio Alberto Núñez Feijóo. Sen mención ningunha aos máis de 130.000 votos que os conservadores deixaron polo camiño o 21-O, o actual presidente en funcións aproveitaba a xunta directiva do seu partido para animar os seus deputados e deputadas a representar o conxunto do país, especialmente "aos cidadáns que sofren esta crise" e "tamén aos que non foron votar". "Os que decidiron non participar mandaron unha mensaxe" que o PP, asegura, sabe "interpretar" porque ten o apoio da "maioría social" e tamén porque é "galeguista", dado que "a maioría dos galegos nos votan". Pola súa banda PSdeG e BNG tentan procurar entre os abstencionistas parte das causas dos seus respectivos descensos. A incógnita e o abano de interpretacións semella seguir aberto. |
NOS_34079 | O extremo do Celta callou unha temporada espectacular que o levou a ser seleccionado por Vicente del Bosque para a Euro 16'. Del Bosque non foi o único en fixarse no sanluqueño e os grandes equipos de Europa teñen a vista posta sobre o xogador celeste que, ademais, ten unha cláusula de 18 millóns de euros, moi asequible para o nivel que está a ofrecer. | Todo apunta a que o 10 celeste abandonará o clube olívico após desta Eurocopa. Nolito non só destacou na pasada Liga BBVA, chamando a atención dos grandes clubes europeos, senón que comezou o torneo internacional como titular e callando unha grande actuación. Nolito sorprendeu a europa co seu bo xogo e calidade dentro da selección favorita a facerse co torneo. A partir de aí os rumores sobre o seu futuro comezaron a voar. Barcelona ou Premier O interese do Barcelona vén de largo. Dende a cidade condal, Nolito é un obxectivo para reforzar o plantel. O interese do Barça é claro, e faise obvio apuntar que os 18 millóns de cláusula son máis un aliciente que un impedimento para os azulgranas. O problema: Co mellor tridente ofensivo do mundo nas súas filas, ser titular no FC Barcelona é misión imposíbel. Isto abre as portas doutras opcións Polo de agora só soan equipos cun estilo similar ao do Celta. O Arsenal foi a primeira grande 'moza' que se lle ofreceu ao extremo. O equipo de Wenger sempre combinativo e con carencias na posición preséntase un destiño factíbel. O Manchester City é o outro interesado. Coa incorporación de Pep Guardiola, que planea unha restructuración no seo citizen, ábreselle a porta ao xogador que xa estivo ás ordes do catalán en Barcelona. Reemprazo O Celta deberá comezar a traballar na busca dun remprazo. O recente equipo de dirección deportiva encabezado por Felipe Miñambres ten a primeira proba de fogo. As posibilidades de que Nolito se quede na entidade olívicas semellan utópicas e o seu substituto debería ser un xogador de grande talla. Os nomes que se barallan, polo de agora para as posicións ofensivas son o de Corona e Veretout: Corona é un extremo mexicano que milita nas filas do O Porto FC e que está a despuntar tremendamente na Copa América. o interese polo xogador mostrouno o propio Carlos Mouriño, mais semella máis un desexo que un interese real. A grande Copa América que está a realizar, xunto ao feito de que O Porto é un dos equipos que máis caro venden ás súas estrelas, imposibilita o traspaso. Veretout é un medio centro ofensivo que xoga no Aston Villa e que chegou aos viláns por 10 millóns procedente do Nantes, a pasada temporada. O descenso do clube ábrelle a porta de saída ao xogador, mais o interese de Olympique de Lyon, Celtic e sobre todo, o Betis de Torrecilla, fan pensar en que o interese non é tan claro. Como de costume o Celta mantén o secretismo nas súas xestións en materia de fichaxes e, de seguro, tanto a Copa América como a Eurocopa destaparán grandes xogadores que poidan chegar a Balaídos cun bo aval. |
NOS_57793 | Esta sexta-feira o C.E.I.P. Paraixal de Teis e Acorda. Cultura Cooperativa organiza xunto á Associaçom Galega da Língua a xornada "A lingua importa", unha iniciativa nada co gallo do Día das Letras Galegas que pretende concienciar as crianzas do centro vigués da importancia de protexer, empregar e respetar a lingua galega. | A xornada comezará a partir das 11:30h, cun faladoiro co profesorado a cargo de Alba Nogueira. Ao mesmo tempo e desta vez da man de Eli Ríos, as crianzas de até oito anos poderán desfrutar dun obradoiro arredor da figura de María Victoria Moreno e a súa creación poética e literaria. Os maiores quedarán a cargo de Raquel Queizás, que impartirá un taller de narración oral ás alumnas. Xa pola tarde e aberto a todas as persoas interesadas na xornada, Valentim Fagim ofrecerá a partir das 16:30h unha palestra sobre a situación do galego, a súa utilidade e a importancia de protexer a lingua. Ás 17:30 será a quenda de Caxade, cunha conferencia chamada "O galego importa", que rematará cun concerto da banda. Durante a xornada da tarde, a Liga Gallaecia de fútbol gaélico organizará distintos obradoiros de xogo colaborativo coas crianzas. A equipa, que xa ten colaborado noutras ocasións co colexio, é a única liga galega de adultas mixta, e participou nas tres xornadas sobre igualdade que o C.E.I.P. Paraixal vén organizando nos últimos anos. Rute Pallares, tesoureira do A.N.P.A. da escola, insiste no carácter participativo destas xornadas: "É importante que se dea a coñecer este tipo de actividades no barrio e que veña a xente de Teis, que colabore e que a escola faga parte da súa vida e da súa comunidade. Tamén queremos poñernos en contacto con outras escolas do barrio e compartir inquedanzas educativas e culturais", afirma en declaracións a Sermos. O C.E.I.P. de Teis conta actualmente cun 20 por cento aproximado de alumnas galegofalantes. Hai moito por tanto que avanzar no camiño da normalización. Con todo, Pallares explica que nesta zona de Vigo, "algo rural aínda que dentro dun núcleo urbano, hai moitos avós que falan cos seus netos en galego" e que no Paraixal, "existe unha sensibilidade especial polos dereitos lingüísticos". |
PRAZA_12082 | Antes da supresión do tax lease, suspendido de xeito cautelar en xullo de 2011, a caída da contratación xa era unha constante. Galicia perdeu o liderado na negociación de novos pedidos. Brasil impón penalizacións ás firmas de construción naval que non boten man de auxiliares autóctonas | A paisaxe pode ser só industrial ou só decadente. Non tanto polo modismo dos gustos e as cores, senón pola curiosidade de preguntarse que sucede co sector da construción naval de Galicia. Á crise financeira, que limita brutalmente o acceso ao crédito, hai que sumarlle outros factores estruturais e que poden non remediarse co camiñar do tempo. A supresión do sistema de bonificación fiscal do que botaban man moitos estaleiros privados (coñecido como tax lease) non explica que este sector teña a meirande parte da súa industria auxiliar en expedientes de regulación de emprego, sen novos pedidos e con caída da competitividade. Gerencia del Sector Naval, organismo público dependente do Ministerio de Industria, publicou esta semana o balance de actividade dos estaleiros de todo o Estado correspondente ao cuarto trimestre de 2011. Xa non é novidade, desafortunadamente, ver a cero o reconto de novos pedidos dos estaleiros galegos. Só Factorías Cardama, con tres contratos, libera ao sector galego de pechar o ano en branco (da estatística oficial de Gernaval). Os tres novos buques son para o Goberno de Angola. Con esta situación, Galicia vén de perder o liderado estatal en carteira de pedidos. A peche de 2010, e aínda co tax lease en vigor, os estaleiros galegos tamén perderan a primeira posición na actividade ponderada de construción naval. Galicia pechou 2011 co 28% da carteira de pedidos en porcentaxe de CGT (baremo universal do arqueo bruto compensado, que fai referencia ao traballo necesario para elaborar un buque). Agora son os estaleiros vascos os que máis contratos conseguen, principalmente no exterior (38% CGT). En canto á actividade produtiva, o sector de Euskadi xa arrebatou o liderado a Galicia ao finalizar 2010 como se pon de manifesto na estatística oficial, cun índice de actividade ponderada tres puntos por riba do indicador galego. Fanse ou non se fan barcos? A produción de novos buques non parou en seco. A situación galega non é extrapolable ao conxunto do sector en todo o mundo. A confirmación dos contratos de barcos caeu de xeito abrupto, especialmente entre 2007 e 2009. O ano 2011, curiosamente, pechou en Europa cunha moi lixeira recuperación. En 2007 formalizáronse novos contratos por 276 millóns de toneladas de peso morto (TPM), que se converteron en 48,6 millóns TPM en 2009. O correctivo foi tanto para os estaleiros asiáticos como para os europeos ou latinoamericanos. A evolución da carteira de pedidos (contratos xa formalizados, pendentes de entrega) foi máis sostida, o que aventura -de non revertirse a situación no que respecta a novos contratos- problemas de carga de traballo no futuro a nivel global. A reparación e a construción de plataformas é unha alternativa "atractiva" para moitas empresas especializadas, tanto de construción off-shore como auxiliares tradicionais. |
NOS_34361 | O mes de xuño de 1369, nada máis morrer Pedro I, Fernando ponse en marcha cara a Galiza para ser proclamado rei. A súa coroación é resultado dun acordo entre a casa real portuguesa e a nobreza galega, que apostaba por unha Galiza arredada de Castela, unida a Portugal e ligada aos pobos atlánticos. | A morte de Pedro I levou o partido galego a apostar por Fernando I de Portugal como candidato ao trono. O asasinato de Pedro I en Montiel en 1369 deixou Galiza sen un monarca que representase os seus intereses, como certificou a continuidade da revolución galega. Segundo sinala Francisco Rodríguez, no seu último libro, Unha etapa estelar e conflitiva do reino de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo I. A relevancia do reino medieval galego, "se para Europa os anos revolucionarios hai que situalos entre 1371 e 1381, na Galiza o período convulsivo foi maior (entre 1366 e 1475), pasando dunha clara fase de alianza nacional-popular, cuxos ecos chegan a 1386, a outra máis confusa, atomizada e dunha conflitividade social interna". Unha revolución nacional-popular A revolución galega do século XIV exemplificou a aposta das clases dirixentes do país por seguir desenvolvendo as potencialidades do mesmo fronte ao hexemonismo castelán que tentaba anulalas. Non foi a defensa da lexitimidade de Pedro I contra o seu irmán Henrique o elemento central que dinamizou a protesta a partir de 1366 senón o convencemento de que o primeiro representaba os intereses galegos. A propia continuidade da rebelión galega durante practicamente vinte anos após a morte do monarca é unha proba definitiva sobre as motivacións reais dun movemento que respondeu á vontade de tronzar a dependencia fronte a unha Castela hexemónica na área peninsular que aspiraba a reforzar o seu dominio mediante a conquista doutros reinos. Un liberador para Galiza Fernando foi recibido na Galiza como un autentico liberador. A iso contribuíu, a súa lealdade ás orientacións do núcleo galego da súa corte, dirixido por Nuno Freire de Andrade, mestre da poderosa Orde de Cristo e Alvar Pérez de Castro, irmá da raíña Inés e de Fernán, pero sobre todo ao contar co apoio do mesmo grupo social que militaba no partido dos Castro e dos rebeldes galegos exiliados en Portugal. O monarca portugués só se mantivo na Galiza até finais dese 1369, ao non poder enfrontar a ofensiva de Henrique II, dada a súa inferioridade militar para combater o seu exercito multinacional, onde se significaron as Compañías Brancas, que formaban ao carón do Trastamara. Un rei chave para Portugal Fernando I de Portugal e IV da Galiza, popularmente coñecido como 'O Fermoso', foi fillo do rei portugués Pedro I e último monarca da Casa de Borgoña. Nado en Coimbra á volta de 1345 e morto en Lisboa en 1383, o seu Goberno estivo marcado polo contexto da Guerra de 100 anos, o cisma relixioso entre Roma e Aviñón e a debilidade política de Portugal, asediada por unha poderosa Castela aliada a Francia. Relacións con Inglaterra Os seus fracasos militares contrastaron coa súa destacada xestión no plano institucional e económica, sentando as bases coa axuda dos aliados galegos para as relacións coas Illas Británicas e potenciando de xeito decidido a actividade comercial. A orixe da importante mariña lusa atópase no seu reinado, apostando polo seu desenvolvemento como eixo das actividades mercantís. Fundador da famosa Companhia de Naus, a súa morte abriu un proceso de gran conflitividade interna en Portugal, porén o seu sucesor e medio irmán Joao de Avís, non alterou os aspectos esencias da súa política externa e interna. Un monarca galego até o final O fracaso militar da tentativa de Fernando situou a loita entre galegos e casteláns nunha nova fase. Á volta de 1372, cunha parte moi importante do territorio galego fóra do control castelán, a oligarquía galega e a familia real inglesa fecharon un acordo para promover ao trono galego o fillo do monarca inglés Eduardo III, Xoán de Gante, Duque de Lancaster. Este novo pretendente, contou con todo apoio do 'Fermoso', que exerceu até o final como un auténtico rei galego. Fernando I de Portugal e VI da Galiza mantívose fiel aos seus compromisos galegos. Neste sentido, acolleu na súa corte a máis de 500 exiliados que abandonaron Galiza como consecuencia da súa loita contra Castela entre marzo e setembro de 1369, após a morte de Pedro I e o cativerio de Fernán Ruis de Castro, en marzo de 1373, tras a derrota de Porto de Bois (Palas de Rei) e o fracaso do propio Fernando. Fernán Ruis de Castro Fernán Ruis de Castro, en palabras do historiador galego Francisco Rodríguez, foi "cabeza da alternativa nacional-popular galega, que apostaba pola unidade de Portugal, en coherencia cunha tradición xa secular, e manter así a hexemonía sobre Castela en calquera proceso de unidade". |
NOS_12716 | Os casos activos de Covid rexistran un lixeiro aumento, con 95 infeccións máis, co que se retoma a tendencia ascendente de xornadas previas | Os hospitalizados pola Covid-19 na Galiza soben a 316, 15 máis que na xornada anterior, e retoman así a tendencia ascendente de días anteriores. Tamén os novos contaxios sofren un repunte: acadan os 1.300 e volven moverse ao redor das cifras dos últimos días, despois de que este sábado se estancasen nos 1.171. Os casos activos, pola súa banda, aumentan lixeiramente -95 máis-, 18.964, mentres que a taxa de positividade segue en ascenso e alcanza xa o 13,03%. Segundo os datos actualizados na mañá deste domingo pola Consellería de Sanidade con rexistros de até as 18.00 horas do sábado, as persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI ascenden a 44 -catro máis a respecto do día anterior-, e soben tamén en 11 pacientes os hospitalizados noutras unidades -272. Ademais, hai 18.648 pacientes en seguimento nos seus domicilios. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase na de Pontevedra-O Salnés, que mantén a seis ingresados en UCI -sen cambios-, pero hai catro persoas menos en planta -35. No resto de áreas, a carga asistencial aumenta. Así, na de Ourense, hai cinco ingresados máis en unidades convencionais -39- e unha máis en críticos -cinco-; na da Coruña-Cee, mantéñense en 16 os pacientes na UCI, pero aumentan os ingresados en planta en tres pacientes -67-; e na de Vigo, os hospitalizados en unidades convencionais soben un -46 en total-, igual que ocorre na UCI, cun paciente máis -3. Tamén ascenden os ingresados na área de Santiago, cun paciente máis en planta -29-, e un máis en críticos -4-; na de Lugo-Monforte, con tres ingresados máis en unidades convencionais -40-, e un máis en UCI; e na Ferrol, que mantén o seis hospitalizados en críticos, pero aumentan os pacientes en planta, 16 -dúas máis. Casos activos á baixa Os casos activos de Covid rexistran un lixeiro aumento, con 95 infeccións máis, co que se retoma a tendencia ascendente de xornadas previas, e sitúanse en 18.964, ao haber máis contaxios (1.300) que altas (1.204), ao que se suma un falecemento. Por áreas sanitarias, os casos activos descenden de novo na de Ourense (-112), que rexistra varios días consecutivos á baixa; á que se suma a de Santiago e Barbanza (-31) e Pontevedra e O Salnés (-68), e na de Ferrol (-6); mentres que no resto ascenden: A Coruña e Cee (+119); Vigo (+145), Lugo (+48). Por tanto, con máis casos activos continúa a área de Vigo, con 4.684; seguida da da Coruña e Cee, con 3.946; Pontevedra e O Salnés, con 2.947; Santiago e Barbanza, con 2.293; Lugo, 2.266; Ourense, 1.871; e a de Ferrol segue ao final con menos dun milleiro, con 957. Máis de mil contaxios Galiza chega ao final do mes de xullo por encima do milleiro de novos contaxios diarios desde hai xa once xornadas consecutivas, e aumentan lixeiramente respecto da xornada anterior -concretamente 129 contaxios máis-, e sitúanse nos 1.300. Foron confirmados 1.157 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), que supoñen 27 máis que o día anterior, dos cales 359 corresponden á área de Vigo; 259, á da Coruña e Cee; 95, á de Pontevedra e O Salnés; 170, á de Lugo; 152, á de Santiago e Barbanza; 78, á de Ourense; e 44, á de Ferrol. Así, os contaxiados de Covid-19 desde o inicio da pandemia ascenden a 158.205, deles 36.571 na área da Coruña e Cee; 32.432 na de Vigo; 23.766 na de Santiago e Barbanza; 19.729 na de Ourense; 19.244 na de Pontevedra e O Salnés; 16.374 na de Lugo; e 10.089 na de Ferrol. Galiza levou a cabo desde o inicio desta pandemia 2.569.629 PCR, que implican 8.541 máis que as rexistradas até a xornada anterior. En canto á taxa de positividade das PCR, repuntou a un 13,03%, após estar o pasado sábado e a sexta feira por baixo deste limiar -12,11% e 11%-, e volve así á tendencia de días nos que roldou o 13,4% e iniciar esta semana cun repunte a un 15 por cento. Así, a Galiza segue por riba dese 5% que establece a OMS para dar por controlada a pandemia, un limiar que, até hai tres semanas, non superaba desde o 15 de febreiro. Vítimas e curados As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza desde o inicio desta pandemia ascenden a 2.461, despois de notificar este sábado Sanidade un novo falecemento. Segundo a información remitida aos medios por Sanidade, trátase dunha muller de 92 anos que estaba ingresada no Hospital do Salnés (Pontevedra) e que presentaba patoloxías previas. Pola súa banda, 136.806 pacientes curáronse do coronavirus no conxunto da Galiza desde o inicio da crise sanitaria, o que constitúe 1.204 persoas máis que as rexistradas até o día anterior. |
PRAZA_14976 | O titular de Presidencia subliña que a Xunta aforrou dous millóns de euros en arrendamentos na lexislatura que remata pero evita asumir o compromiso incluído no programa electoral dos populares | A austeridade. Foi unha das bandeiras do Goberno de Alberto Núñez Feijóo no seu primeiro mandato á fronte da Xunta e o PP asegurou durante a campaña electoral que mantería a mesma liña se, como aconteceu, recuncaba no poder. Un dos ámbitos que os conservadores poñen como exemplo das súas políticas de contención de gasto público é a redución dos alugueiros que a Administración paga para ter parte das súas instalacións en inmobles que non lle pertencen, unha práctica que, en xeral, se desenvolveu de maneira expansiva tanto nos mandatos de Manuel Fraga como co bipartito. Tras unha lexislatura na que, segundo cálculos da propia Xunta, o aforro neste ámbito foi de arredor de 2 millóns de euros anuais, o PP concorreu ao 21-O cun ambicioso plan: "reducir o gasto en alugueres da Xunta de Galicia a cero". Tres semanas despois dos comicios ese obxectivo semella comezar a relaxarse. Esa relaxación da promesa é unha das conclusións que é posible tirar das verbas do conselleiro da Presidencia en funcións, Alfonso Rueda que, en ausencia de Feijóo -de viaxe no Brasil-, este xoves foi o encargado de presidir o Consello da Xunta e tamén de explicar ante a prensa os asuntos tratados. O Goberno tivo sobre a mesa un informe no que a Consellería de Facenda sinala que os 7,6 millóns de euros anuais que a Xunta pagaba polos seus alugamentos en 2008 pasaron agora a 5,7. Isto logrouse "resolvendo contratos e trasladando eses servizos a inmobles propios, infrautilizados ou baleiros", ou tamén "renegociando á baixa a renda de locais" aproveitando "a baixada de prezos do mercado inmobiliario", explica Rueda. "Cando se presente o plan que se vai facer tamén se fixarán os obxectivos e agardamos cumprilos", resolve Rueda Neste escenario, cal é o roteiro para a vindeira lexislatura? Dende Facenda anúnciase xa un "novo plan de racionalización" e, a preguntas deste diario, o número dous de Feijóo asegura que os gastos nesta materia "poden seguir reducíndose", porque "hai marxe", mesmo tendo en conta as "dúas subas do IVE". "É un plan que ten que seguir na seguinte lexislatura", abonda, algo que a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, "comprometeu" ao presentar o informe no Consello. Pero, fronte á claridade do programa do PP, Rueda opta por non prometer con tanta rotundidade: "o obxectivo non está marcado, cando se presente o plan que se vai facer tamén se fixarán os obxectivos e agardamos cumprilos", resolve. Así as cousas, semella que o recorte non será tan ambicioso e si máis adaptado ao ritmo que leven outras accións, como a "supresión de entes" dependentes da Xunta. "Se hai supresión de entes tamén ten que habela de espazos físicos", sinala o conselleiro en funcións. Na nota oficial difundida pola Xunta tras a xuntanza do Goberno tampouco houbo lugar para o "cero" prometido en campaña. "O novo Goberno presentará outro plan de racionalización do gasto do patrimonio inmoibliario (...) que permitirá seguir consolidando e incrementando os aforros acadados nesta", sinala. |
NOS_45857 | A organización considera que o fallo tamén procura "de maneira estratégica, apertar repressivamente a pressom contra o soberanismo" | A sentenza condenatoria a catro independentistas por participación en "organización terrorista" é , para Nós-Unidade Popular, "umha nova mostra do caráter político e reacionário do tribunal de exceçom que, sob o nome de Audiência Nacional, se encarrega de perseguir os movimentos políticos legitimamente dissidentes". A formación, aliás, considera que "a suja e prepotente manobra judicial" non vai dirixida só aos 4 acusaddos, senón que, "de maneira estratégica", procura tamén apertar "repressivamente a pressom" contra o soberanismo. Así, Nós-UP indica que "a partir de agora, na Galiza será mais perigoso realizar trabalho político dissidente e pola liberdade nacional galega do que protagonizar casos graves de corrupçom e outros delitos punidos muito mais levemente" "Toca à sociedade galega exercer a solidariedade com os presos e presas, assim como a denúncia constante contra o sistema penitenciário e judicial espanhol, repetidamente catalogado por organismos internacionais independentes como democraticamente deficitário", sinala Nós -Unidade Popular |
NOS_19128 | Falamos cos equipos dos cinco candidatos que participan esta segunda feira no debate electoral retransmitido pola CRTVG, a partir das 21.30 horas. | A campaña das eleccións galegas afronta esta segunda feira un dos momentos chave en todos os comicios. A poucas horas de encetar o único debate entre os cinco candidatos e candidatas das principais forzas políticas –Alberto Núñez Feijóo PP, Xaquín Fernández Leiceaga PsdeG, Ana Pontón BNG, Luís Villares En Marea e Cristina Losada Ciudadanos– falamos cos seus equipos de campaña para coñecer como preparan este encontro. O debate será retransmitido en directo e de forma simultánea pola televisión e a radio públicas galegas, a partir das 21.30 horas, e estará moderado por Marta Darriba e Kiko Novoa. Todos os candidatos e candidatas contarán co mesmo tempo de intervención. O debate estruturarase en bloques temáticos de 20 minutos cada un: economía e emprego, sectores produtivos, políticas de benestar, rexeneración democrática e modelo institucional. PPdeG O candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, estivo o domingo pola tarde "analizando datos e estudando cifras" e adicará as horas previas a "orientar as súas intervencións". Estas son algunhas das chaves apuntadas polo seu equipo;. Debates necesarios: "Os debates máis que negativos ou positivos son necesarios. Non deberíamos delegar o intercambio de información só a titulares de prensa". Todos contra Feijóo: "Non hai unha lectura electoralista. Ofreceuse este debate e el dixo que si no momento. Iremos malia saber que será un debate de todos contra o presidente". Dous bloques: "Mañá se visualizara o que vai ser esta campaña. Por un lado, o bloque do PP e, por outro, forzas de diferente índole, con difícil encaixe, e que podería ser un preludio do que sería un goberno alternativo a Feijóo". BNG A candidata do BNG á Xunta, Ana Pontón, foi a que máis tempo adicou a preparar o debate. Estivo traballando xunto co seu equipo de campaña o domingo e continuará durante esta segunda feira. Oportunidade: "É unha oportunidade para que miles de galegos e galegas, nun horario de máxima audiencia, poidan coñecer da man da candidata as propostas e o proxecto político do BNG. Ana Pontón é unha muller nova, pero solvente e con empatía, cun coñecemento moi exhaustivo do país e dos seus problemas". Reforzar e sumar: "Encaramos o debate cun obxectivo evidente de reforzar o voto propio, pero tamén co obxectivo de dirixirnos a esa xente que aínda non decidiu o voto. Queremos transmitirlles que somos a garantía dun cambio real para construír unha Galiza con emprego e benestar social". Confrontar proxectos: "Contar cales son as propostas, cales son as medidas que ten o BNG para solucionar o desemprego, a emigración, os salarios que non permiten chegar a fin de mes, as listas de espera na sanidade, os sectores produtivos que están ao pairo... O debate é importante porque vai permitir confrontar proxectos e alternativas". PSdeG O cabeza de lista dos socialistas, Xaquín Leiceaga, tamén optou por alixeirar a axenda. O domingo á tarde estivo reunido con vistas o debate e hoxe volverá a facelo despois dun acto en Ames. Liderar a alternativa: "Queremos trasladar que o PSdeG é o partido que debe liderar a alternativa ao PP. Centrarémonos en desmontar a acción dos últimos oito anos e por outro trasladar propostas serias, cuantificadas e un proxecto de país moi estudado, co candidato mellor formado de todos". Formato limitado: "O debate ten un formato encorsetado, con limitacións, que non dará tanto xogo como quereríamos. Feijóo rexeitou participar en ningún debate máis; en contra do que di que os debates son un dereito, só quixo un coas súas normas" Cara a cara: "Feijóo rexeitou enfrontarse a Leiceaga nun cara a cara como solicitamos. Cremos que era un formato esencial para contrastar as dúas únicas vías alternativas para os galegos: continuar coas políticas do PP e a resignación ou apostar por un cambio liderado polo PSdeG, que é o único cambio solvente e con garantía de goberno". EN MAREA O aspirante á presidencia da Xunta de En Marea, Luís Villares, foi o único candidato que mantivo a súa axenda electoral, con dous mitins o domingo. Preparativos: "Estamos preparando os diferentes bloques cos coordinadores de cada área". Chegar a máis votantes: "O debate será fundamental para dar a coñecer o candidato e chegar a aqueles sectores de poboación que non adoitan acudir a mitins e aos que é máis difícil chegar a través das redes sociais". Ilusionar e activar: "Agardamos que lle dea un impulso á campaña re-ilusionando á xente e activando a moitos indecisos". CIUDADANOS A número un de Ciudadanos pola Coruña, Cristina Losada, comezou a preparar o debate electoral despois dun mitin este domingo en Vigo, segundo recolle Europa Press. O equipo de campaña de C's declinou responder finalmente as preguntas de Sermos Galiza. |
PRAZA_19722 | As catro deputacións, seis das sete cidades (todas agás Vigo) e outros concellos, como Lalín, Sada, Bergondo, Xinzo de Limia, Ribadavia, O Porriño, Ponteareas ou Miño, xa permiten seguir as súas sesións de debate a través da rede. Unha lista que non deixa de crecer | Non son demasiados aínda os concellos que de forma habitual retransmiten os seus plenos municipais a través da rede. Porén, isto xa é unha realidade en seis das sete cidades (todas agás Vigo) e vilas como Lalín, Sada, Bergondo, Xinzo de Limia, Ribadavia, O Porriño, Ponteareas ou Miño, entre outros. Tamén nas catro deputacións provinciais, uníndose Pontevedra e A Coruña a Lugo e Ourense, que xa o facían na lexislatura anterior. Son aínda casos illados, pero en 2015 eran moitos menos e nos últimos meses vimos asistindo á continuada incorporación de novas localidades, e a debates abertos e mocións en moitas outras. No remate da presente lexislatura serán moitos máis concellos os que se incorporen a este instrumento de transparencia e difusión do debate político local. Un avance notable, se temos en conta que ata hai ben pouco mesmo os grupos políticos e veciños atopaban moitas dificultades para gravar e transmitir eles mesmos os plenos, e nalgún caso seguen atopando obstáculos. En agosto de 2015 o Tribunal Supremo deixou claro que gravar os plenos municipais é un dereito cidadán. Mesmo así, no regulamento do pleno aprobado por Vigo o pasado ano faise depender este dereito de gravación dunha autorización do alcalde. Un dos concellos que xa retransmite os plenos é Ponteareas, que mesmo mellorou recentemente o sistema de gravación dos plenos, coa instalación de cámaras de alta definición robotizadas de seguimento dos intervintes e mellora do sistema de intervención e audio existentes, incrementando a calidade dos vídeos das sesións plenarias. As sesións plenarias de Ponteareas pódense seguir en directo a través da web do concello, Youtube, Periscope, Twitter e, dende este 21 de marzo, tamén por Facebook Live. Benito Márquez, concelleiro de Novas Tecnoloxías e Transparencia, destaca as melloras introducidas, co obxectivo de "dar unha maior difusión e transparencia aos plenos municipais". "A retransmisión dos plenos en directo non so a través da páxina web municipal, senón tamén das redes sociais fará que moita máis xente se achegue á xestión municipal e ás decisións máis importantes que son as que se toman nas sesións plenarias", salienta. Dende a pasada lexislatura xa se gravaban os plenos e se ofrecían a través da páxina municipal nos días posteriores a celebración das sesións, pero sempre en diferido. Ademais, explica Márquez, "o sistema establecido para tal efecto era unha única cámara obsoleta herdada da antiga televisión municipal. Moitas veces sucedía que con este sistema tan arcaico algún individuo movía a cámara cara un lado e se ninguén se decataba, gravaba a parede, como sucedeu, por exemplo, coa sesión plenaria de investidura de xuño de 2015". Sada e O Porriño veñen de sumarse a esta práctica e Ponteareas mellorou a calidade dos seus equipos O Porriño vén de sumarse a esta práctica, retransmitindo este mes de marzo o seu primeiro pleno; ademais, as sesións anteriores serán almacenadas e poderán consultarse en calquera momento. Tamén Sada comezou este mes de xaneiro a retransmitir os seus plenos. Uns meses antes fixérano Xinzo de Limia ou Bergondo, que se uniron a Ribadavia, Miño, A Estrada ou Lalín, que comezara xa en decembro de 2015. As 4 deputacións e 6 das 7 cidades As catro deputacións provinciais xa retransmiten en directo os seus plenos que, ademais, quedan almacenados para o seu visionado en calquera momento. As provinciais orientais -Lugo e Ourense- foron pioneiras neste senso, poñendo en marcha esta iniciativa xa na pasada lexislatura. En setembro de 2016 uniuse a Deputación de Pontevedra e en xaneiro deste ano fíxoo a da Coruña. A cidadanía tamén pode seguir os plenos municipais das cidades da Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol A cidadanía tamén pode seguir os plenos municipais das cidades da Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Ferrol. Non así o de Vigo, a pesar de ter sido demandado en varias ocasións polas forzas da oposición. A cidade olívica é unha das poucas grandes urbes de todo o Estado que non retransmite os seus plenos e mesmo limita a posibilidade de que o fagan as forzas políticas representadas ou o público asistente. O pasado mes de xuño o regulamento do pleno elaborado polo goberno local foi aprobado cos únicos votos a favor do PSOE. O que di a lei En 2015 o Tribunal Supremo ratificou que gravar os plenos municipais é un dereito cidadán, nun ditame que sinalaba que prohibir a gravación dos plenos implicaba vulnerar os dereitos constitucionais de expresión e información. O tribunal explicaba que nos plenos se tratan asuntos de "interese xeral" que afectan á veciñanza, polo que gravar e difundir estas sesións axuda á creación "dunha opinión libre". Subliñaba, así mesmo, que estes dereitos non poden estar restrinxidos aos profesionais dos medios de comunicación, senón que son "titularidade" do conxunto da cidadanía. En 2015 o Tribunal Supremo ratificou que gravar os plenos municipais é un dereito cidadán En Galicia foron moitos os concellos (Ponteceso, Cambados, Arteixo, Moraña, Cualedro ou Gondomar) que nalgún momento tentaron mesmo prohibir as gravacións nos plenos. Porén, a Lei de Bases do Réxime Local deixa claro no seu artigo 70 que as xuntanzas dos plenos do Concello son públicas. De igual xeito, o decreto de 1986 que regula a Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais ratifica no seu artigo 88 que estas sesións son públicas e mesmo prevé que "para ampliar a difusión auditiva ou visual do desenvolvemento das sesións poderán instalarse sistemas megafónicos ou circuítos pechados de televisión". |
NOS_40733 | O presidente boliviano partirá finalmente desde Austria camiño da Paz após o Estado español autorizar que o avión presidencial sobrevoe o seu espazo aéreo argüíndo que "a prensa molestaba moito", segundo asegurou o propio Morales | O mandatario latinoamericano asegurou en declaracións aos medios de comunicación desde o aeroporto de Viena (Austria) que a decisión adoptada polo Estado español, Francia, Portugal e Italia "son políticas represivas" que procuar "amedrentarnos e someternos". Evo Morales, afirmou con rotundidade que a súa retención en Austria --que tildou de "agresión"-- non supón unha "provocación" á súa persoa senón "a Bolivia e Latinoamérica". Porén, o líder boliviano asegurou que "se equivocan" aqueles Estados que actúan "subordinados aos intereses dos EUA" pois non conseguirán", dixo, "amedrentarnos e someternos". O embaixador español asegurou ao cónsul boliviano que autorizaban o voo do presidente "porque a prensa molestaba moito" "Temos dereitos", sentenzou o mandatario quen apelou ao cumprimento e respecto "das normas internacionais" que recollen a inmunidade e inviolabilidade dos xefes de Estado. Neste senso, Morales asegurou que o embaixador español en Austria mesmo tentou "revisar" o avión presidencial argüíndo "razóns técnicas", unha decisión que vulnera as normas internacionais tentando, dixo, "impor formas de control". Para Evo Morales, os gobernos español, francés, italiano e portugués "deberán explicar" as razóns desta agresión. |
NOS_18524 | A CIG afirma que non existen as supostas negociacións entre o concello e a empresa e que ambos só buscan "eternizar o conflito á espera de que a xenta ceda, algo que non está pasando, senón ao contrario". | Traballadores de Urbaser lamentaron este sábado, tras 40 días en folga, que o alcalde de Lugo, José López Orozco, e o da Deputación e líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, non fagan "toda a forza" para finalizar a folga de lixo en Lugo. O persoal concentrouse diante do Congreso provincial do PSOE en Lugo, onde tamén houbo apupos para Besteiro, líder do partido e presidente da Deputación De feito, traballadores de Urbaser acudiron a manifestarse ante o Congreso provincial do PSOE en Lugo para reiterar o alcalde lucense que "poña todo o que ten que poñer" para sentar á empresa concesionaria do servizo de limpeza en Lugo á mesa de negociación, segundo indicou o secretario do comité de empresa, Julio Pacio. Na concentración foron especialmente apupados os alcaldes de Pol e A Pastoriza, aos que se chamou "esquirois" por ceder os seus camións para a recollida en Lugo. Desde a CIG consideran que Orozco e a empresa non están levando a cabo ningún tipo de negociación, en contra do que eles afirman publicamente, e que realmente o que buscan é que "alongar o conflito a ver se @s folguistas perden as forzas e desisten", algo que, segundo o Secretario de Organización da central nacionalista en Lugo, Lois Neto, "non vai pasar como o demostra que as asembleas cada vez son máis masivas". |
PRAZA_10975 | Cidades e vilas galegas programan numerosas actividades co gallo do 'Día sen coches'. En Lugo a zona da Mosqueira será peonil durante unhas horas, amosando o uso que terá este lugar cando se corte o tráfico de forma definitiva. Ourense e A Coruña amosan tamén os seus plans para favorecer o desprazamento sustentable | Do 16 ao 22 de setembro celébrase a Semana Europea da Mobilidade, unha iniciativa de concienciación que dende hai anos busca sensibilizar á cidadanía sobre as vantaxes do transporte público e a substitución do vehículo privado por outras formas de desprazamento no interior das zonas urbanas. Como todos os anos, cidades e vilas galegas levan a cabo numerosas actividades informativas. E, ademais, en moitas delas durante algunhas horas determinadas rúas e prazas fican sen tráfico, amosando como poderían ser esas zonas se se liberasen do tráfico e se favorecese a peóns, bicicletas e transporte público. A partir do ano 2023 todas as cidades de máis de 50.000 habitantes terán que delimitar zonas centrais con acceso prohibido aos vehículos que xeran máis emisións nocivasAínda que nos últimos anos todas as administracións están a impulsar políticas máis ou menos ambiciosas para limitar o uso do vehículo privado (dende peonalizacións ao fomento do uso da bicicleta), a realidade é que case 800.000 coches entran todos os días nas sete cidades galegas e que o na última década aumentou moito o número de persoas accidentadas e atropeladas nas zonas urbanas. A partir do ano 2023 todas as cidades de máis de 50.000 habitantes terán que delimitar zonas centrais con acceso prohibido aos vehículos que xeran máis emisións nocivas (todos os diésel anteriores ao ano 2006 e os gasolina anteriores ao 2000), ao redor de catro de cada dez do total. LugoNa mañá do domingo 22 de setembro cortarase o tráfico na zona da Mosqueira, un dos treitos da rolda da Muralla que nos vindeiros meses pasará a ser peonil de forma definitivaUn dos mellores exemplos témolo en Lugo. Alí na mañá do domingo 22 de setembro cortarase o tráfico na zona da Mosqueira, un dos treitos da Rolda da Muralla que nos vindeiros meses pasará a ser peonil de forma definitiva, converténdose nunha praza anexa ao monumento máis importante da cidade. A proposta foi levada ao pleno polo BNG xa no ano 2016, e aprobada por unanimidade. Os nacionalistas levaban o seu impulso como un dos puntos principais do seu programa electoral nos comicios do mes de maio e agora o seu voceiro, Rubén Arroxo, tenente de alcalde e concelleiro encargado de mobilidade, será o encargado de levar a cabo esta reforma urbana.Ademais desta liberación de tráfico, durante todo o domingo os autobuses urbanos serán de balde. E na propia zona da Mosqueira levaranse a cabo actividades informativas, de fomento do uso da bicicleta e mesmo con música en directo. Arroxo sinala que "é unha oportunidade para desfrutar dun Lugo onde non se precise ter a muralla rodeada por vehículos" e engade que "temos a responsabilidade de traballar para que a cidade e o seu casco histórico, ademais de ser un atractivo turístico, continúe sendo un espazo habitado no que lucenses e visitantes conflúan". OurenseOurense quere impulsar unha gran praza peonil contorna do Parque de San LázaroEn Ourense tamén se levarán a cabo cortes de rúas ao longo desta semana. O goberno local fixo este anuncio ao tempo que informaba de que está a estudar distintas iniciativas para avanzar na peonalización de amplas zonas do centro da cidade. Por exemplo, quere impulsar unha gran praza peonil contorna do Parque de San Lázaro, abranguendo o espazo entre Subdelegación do Goberno, e as rúas La Habana e Valle Inclán, unha área que quedaría unida á rúa do Paseo e ao propio Casco Vello. O concelleiro de Infraestruturas, Miguel Caride, afirma que a peonalización da rúa Concordia será "inmediata", uníndose ás tamén peonís Xaquín Lorenzo Fernández o Cardenal Quevedo. Así mesmo, o Goberno local asegura que aposta por impulsar as zonas 30 (coa circulación limitada a 30 km/h) en moitas áreas da cidade.A CoruñaA Coruña quere recuperar o carril-bus que foi suprimido polo PP no ano 2011 e implantar novos 'carrís brandos' que poidan compartir autobuses e bicicletasNa Coruña pechouse xa ao tráfico un pequeno treito da Avenida da Mariña, á altura do Obelisco. Alí durante toda esta Semana da Mobilidade levaranse a cabo un gran número de actividades informativas e de sensibilización, para animar a cidadanía a optar polo transporte público e desprazarse a pé ou en bicicleta, co obxectivo de "devolverlle a cidade ao peón para que sexa o centro da mobilidade na cidade", segundo declarou a alcaldesa Inés Rey.A rexedora afirmou a intención do seu Goberno de recuperar o carril-bus que foi suprimido polo PP no ano 2011 e de implantar novos carrís brandos que poidan compartir autobuses e bicicletas. Ademais, na entrada de varios colexios públicos instaláronse xardineiras nas prazas de aparcamento para coches, mellorando así a seguridade para os nenos e nenas no momento de entrar e saír da escola.VigoEn Vigo e Pontevedra convócase unha 'marcha pola mobilidade' para demandar unha 'vía verde' entre as dúas cidadesNa cidade olívica, coincidindo coa Semana da Mobilidade, as asociacións A Golpe de Pedal e Pedaladas convocan un ano máis a 'marcha pola mobilidade', na que lle reclaman ás distintas administracións unha vía verde que conecte Vigo e Pontevedra. Este tipo de camiños son moi habituais en toda España e aproveitan os antigos trazados ferroviarios sen uso na actualidade para conformar vías de uso ciclista e peonil.A marcha partirá ás 9 horas dende a Porta do Sol de Vigo, e ás 10 horas dende a Praza de España de Pontevedra. O encontro entre ambas as dúas columnas será ás 11:30 horas en Arcade. Dende alí levarase a cabo unha marcha a pé pola vía do tren que chegará ás 13:30 horas a Figueirido.CompostelaEn Santiago a Semana da Mobilidade rematará o domingo 22 de setembro cunha xornada dedicada á bicicleta, que se celebrará na Alameda a partir das 10 horas e que incluirá dúas rutas ciclistas. Ademais, ao longo da semana haberá actividades nos centros escolares. O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, destacou que as actividades buscan "facer fincapé na busca de modos de desprazamento sostibles e respectuosos co medio ambiente, buscando a redución de gases contaminantes e mellorando a calidade do aire que respiramos". Outras localidadesCarballo programou un gran número de actividades de fomento da mobilidade alternativa ao cocheAs actividades pola Semana da Mobilidade non se limitan ás cidades. Carballo participa por cuarto ano consecutivo nesta iniciativa, cun amplo programa de actividades nas que colaboran entidades veciñais e de fomento da bicicleta, entre outras. Ao longo desta semana haberá rutas en bicicleta, circuítos de seguridade viaria, andainas, xogos na rúa, xogos inclusivos... Ademais, levarase á cabo o bicibús coa colaboración do Club Ciclista Carballo e coa participación dos catro colexios de primaria da zona urbana e o Artai. Cada día da semana o alumnado que o desexe poderá ir ao cole en bicicleta acompañado por voluntarios do Club Ciclista, Policía Local e Protección Civil, que sacará á rúa a súa unidade ciclista.O Goberno local de Ames propón unha liña de autobús nocturna que una o centro de Santiago con Bertamiráns e MilladoiroEn Ames, o Goberno local propuxo este luns a creación dunha liña de autobús nocturna con parada segura que una o concello co centro de Santiago nas fins de semana. A ruta sería circular Bertamiráns–O Milladoiro–Rúa da Rosa, comezando ás 23:30 con dúas frecuencias de primeira hora e dúas de volta ás 3:00 e 4:00 horas da madrugada.Finalmente, Pontevedra participa estes días na illa de Madeira na Semana da Mobilidade do Funchal. Alí a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías falará sobre "a visión estratéxica de Pontevedra diante dos desafíos da mobilidade". Nestas xornadas, Pontevedra foi escollida canda a Lisboa como exemplos: "dúas cidades que son unha referencia europea en termos de mobilidade". |
NOS_18859 | Facer festa pode ser todo un traballo, e non pequeno. Diso saben ben as comisións de festas, protagonistas desta última entrega do caderno de verán. Xa á venda na nosa loxa. | Neste caderno de verán, achegámonos ao día a día das comisións de festas, acompañolas e presenciamos con elas as mil e unha anécdotas á hora de pedir polas casas, damos conta das súas dificultades e mais tamén das recompensas. Indagamos nas diferentes formas de facer, dende as máis convencionais, como as festas parroquiais que miden o seu éxito en función de se no seu cartel está ou non a Panorama, até aquelas máis alternativas e participativas, como as festas da Dorna, en Ribeira, ou as do barrio compostelán de San Pedro. Neste número chegan ao ecuador as nosas entregas literarias. Pepe de Pura segue a botar máis leña ao seu relato homoerótico nunha viaxe a Cataluña que dará moito de si. Marica Campo desvela máis claves do seu relato seriado, Traballo de Campo, ao descubrirnos a infancia da súa protagonista, África. Marta Dacosta agasállanos con novos versos inéditos do seu poemario "Des-tecer". "Pepe de Pura segue a botar máis leña ao seu relato homoerótico nunha viaxe a Cataluña que dará moito de si." A sección musical estará protagonizada desta vez por A Magnifique Band dos Homes sen Medo. Entrevistamos a un dos seus músicos, Miguel Paz, quen, con non pouco humor, nos relata os avatares desta formación que é quen de utilizar a Beethoven, ou os ritmos do jazz ou do rock, para os seus pasarrúas. "Somos un grupo moi flexíbel, como ximnastas soviéticos ─afirma─ Hai que tocar nunha festa pola mañá nunha sesión vermú, vaise. Hai que facer unha procesión..., ben, xa o miraremos... Hai que tocar nun pasacorredoiras, pola noite no palco, nun camión, nun ferry... nós adaptámonos." Pecha o caderno o prestixioso xenetista Anxo Carracedo,. Este referente internacional no eido da Medicina Legal levaranos até o seu curruncho preferido, Louro, en Muros. "Nos meus congresos polo mundo adiante sempre remato cunha foto de Louro desde o aire para presumir de terra e todo mundo queda impresionado ─destaca─ pero máis lles gusta cando veñen e poden así gozar dun dos lugares máis fermosos do mundo". |
NOS_3980 | Destaca a "resiliencia" diante a redución de orzamento público. | Un estudo realizado na USC demostra "a resiliencia" da pesca artesanal na Galiza ao manter os elementos básicos, "chave", para resistir ao longo do tempo, mais pide "consolidar as transformacións sostíbeis" de cara o futuro. É unha das conclusións da primeira investigación que se realiza sobre os cambios transformadores neste sector no país. O traballo, encabezado polo profesor Sebastián Villasante, tiña como obxectivo documentar o estado actual da arte das pesqueiras galegas a pequena escala e avaliar as innovacións e os cambios ocorridos no período 1990 e 2020, así como analizar se existiron cambios transformadores e, de non ser o caso, determinar os obstáculos que o impedisen. Segundo explica a USC nun comunicado, a investigación, que parte dos casos de estudo do marisqueo a pé e a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro dos Miñarzos, destaca o mantemento dunha alta diversidade de especies capturadas, unha conexión institucionalizada entre as partes interesadas e as comunidades pesqueiras, ademais da participación activa a través dos procesos de toma de decisións. O traballo conclúe ademais que a pesca artesanal galega foi capaz de preservar elementos básicos que permitiron manter a resiliencia destes sistemas socio-ecolóxicos mariños "grazas aos profundos cambios nos procesos sociais e ás normas da pesca artesanal galega". No exemplo empregado polo estudo seguiuse un novo sistema de coxestión entre confrarías e administración, asesorado por científicos e baseado nos dereitos de uso territoriais. Os obstáculos A investigación recoñece que o proceso de "construción colectiva" foi "complexo" e na actualidade conta con obstáculos que o poñen en risco como son "a redución do orzamento público para cubrir os custos de vixilancia asignados pola Administración autonómica e a falta de apoio dalgunhas confrarías que pescan na reserva". Isto, explican, está a provocar un aumento da pesca furtiva, das actividades de pesca ilegais dentro e fóra da reserva e unha menor eficacia da mesma. Os autores insisten en que "é esencial comprender mellor cando e quen pode desencadear, apoiar e implementar intencionadamente as transformacións cara á sustentabilidade, incluíndo a visión do coñecemento tradicional dos pescadores, para fomentar os cambios desexábeis". Villasante alerta, ademais, de que hai que "evitar as solucións únicas" para as diferentes contornas locais. |
PRAZA_6507 | Os gobernos autonómicos galego, navarro e murciano son os únicos que non sumaron ningunha nova competencia na última media década. Mentres, Euskadi obtivo 14 novos traspasos e Catalunya, 9. O gabinete de Rajoy aprobou transferencias para Balears, Canarias, Valencia, Castilla-La Mancha e Madrid. | "Sendo certo que conforme se vai avanzando no proceso cada vez quedan menos competencias por transferir o abano de temas pendentes esixe un esforzo negociador adicional". No ano 2009 o programa electoral do PP resumía deste xeito a súa posición a respecto dos traspasos de competencias a Galicia. O Goberno bipartito finalizaba a súa lexislatura con 12 competencias novas -oito máis que o último goberno de Fraga- e, para os conservadores, ese balace supoña "poñer no seu lugar" a socialistas e nacionalistas pola escaseza de traspasos. Media década despois o Goberno galego ten exactamente as mesmas competencias e Galicia é unha das tres autonomías que non logrou ningunha transferencia neste período. Entre 2009 e 2014 o Goberno de España transferiu ás distintas comunidades un total de 64 competencias, case o 90% delas mentres José Luis Rodríguez Zapatero estivo en La Moncloa. Durante estes anos unicamente Navarra, Murcia e Galicia mantiveron o seu autogoberno onde estaba, sen avance ningún. Mentres, Euskadi logrou o traspaso de 14 competencias e Catalunya, de 9, todas mentres gobernou o PSOE. A continuación sitúase Aragón, con 8 competencias novas. Só 5 autonomías, 4 delas do PP, lograron novas competencias co goberno de Rajoy Oito son tamén as transferencias que logrou neste período a comunidade de Canarias, cinco delas co PSOE e as restantes, co PP. O arquipélago, gobernado por Coalición Canaria, é unha das cinco autonomías que conseguiu incrementar o seu autogoberno dende a vitoria dos populares nas xerais de 2011. O resto son todas autonomías gobernadas polo PP: Balears, con 2 competencias -o PSOE transferíralle unha neste período-, Madrid, con dúas, Castilla-La Mancha, con unha a Comunitat Valenciana, que tamén obtivo unha competencia do gabinete de Rajoy despois de lograr outra do de Zapatero. As competencias pendentes Esta parálise no avance do autogoberno prodúcese nun contexto no que, tanto no programa de 2009 como no de 2012, o PP se comprometeu a negociar novas competencias sobre a base do acordo parlamentario acadado pouco despois da chegada de Feijóo á Presidencia. O daquela novo presidente comprometíase a continuar o traballo iniciado polo Goberno anterior, fixando o seus esforzos na consecución de traspasos como as obras hidráulicos, a ordenación pesqueira, a investigación oceanográfica ou a ordenación do dominio público marítimo-terrestre, entre outras. O PP comprometeu nos seus programas de 2009 e 2012 a negociación de novas competencias Nese paquete de competencias pendentes estaba tamén a da meteoroloxía, que o pasado maio o PP rexeitou pedir formalmente no marco dun debate co BNG. Daquela os populares consideraron máis oportuno "reforzar e explorar a vía de colaboración" coa Axencia Estatal de Meteoroloxía no canto de transferir a competencia e reforzar así Meteogalicia, organismo autonómico que o Goberno de España aposta por eliminar. Aquela proposta contemplaba tamén que a Xunta asumise o control das autoestradas AP-9 e AP-53, traspaso que o Ministerio de Fomento dirixido por Ana Pastor, candidata ao Congreso polo PP de Pontevedra, se nega a executar malia ás deficiencias da Autoestrada do Atlántico e ás neglixencias de Audasa. |
NOS_11769 | A Casa de Hortas, hoxe sede da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, acolle mañá 17 de maio o acto oficial das Letras. E por todo o país se suceden actividades: manifestación de Queremos Galego en Compostela; concerto de Milladoiro dedicado a Manuel María na Coruña, o Festiletras en Ponteceso... | A Academia desenvolverá en Outeiro unha sesión extraordinaria e aberta ao público na que tomarán a palabra tres membros de número para renderlle homenaxe a Manuel María. Manuel Rivas, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana serán os encargados de retratar a vida e a obra do prolífico escritor. A Banda Sons e Soños acompañará o acto, que comezará a partir das 12.30 horas. Mentres, o Consello da Cultura Galega celebra o Día das Letras cun concerto no teatro Rosalía da Coruña protagonizado por Milladoiro, que poñerá música aos textos do poeta lugués canda outras pezas da emblemática formación, nun formato en que tamén haberá espazo para a danza. Outra das citas consolidadas é o festival organizado pola Fundación Pondal, o evento máis amplo, que ocupa toda a semana (de domingo 15 a domingo 22) con cumprida programación: entrega dos premios 'Bos e Xenerosos', Guadi Galego, Mini e Mero, Davide Salvado, Quico Cadaval, Bieito Romero, Carlos Blanco e Sés, entre moitos outros. Quen tamén ten unha programación abondosa estes días é A Coruña, cidade na que o poeta viviu os seus últimos anos, que inclúe o propio día 17 unha lectura pública de poemas e un concerto da Banda Municipal. Manifestación en Compostela A xa tradicional manifestación do 17 levará por lema 'O idioma é a vida', un dos versos do poema 'A Fala' de Manuel María. Unha mobilización que desde Queremos Galego agardan que reúna miles de persoas para amosar "máis unha vez, que a inmensa maioría do pobo galego quere a súa lingua e accións políticas reais e efectivas para repola e rehabilitala en todos os espazos". |
NOS_11873 | Despois de 13 anos de división interna, que comezou en 2007 coa asunción do poder na Faixa por parte de Hamas e o enfrontamento armado con Fatah, levando á separación de facto entre Gaza e Cisxordania, as dúas faccións palestinas anunciaron un histórico pacto para facer fronte ao inimigo común: Israel e a anexión. | Os dous grupos rivais en Palestina, Fatah e Hamas, anunciaron nas últimas horas que unificarán posicións contra o plan de anexión israelí de parte de Cisxordania, nun movemento histórico, informou a axencia de noticias WAFA. Jibril Rajoub, membro do Comité Central de Fatah, e Salah Al Aruri, líder do politburó de Hamas, realizaron o anuncio nunha inédita conferencia de prensa conxunta organizada telematicamente desde Ramala, en Cisxordania, e desde Beirut, capital do Líbano. "Acordamos traballar conxuntamente para desenvolver os instrumentos de unificación das nosas posicións para facermos fronte ao plan de anexión israelí", sinalou Rajoub, con base na "confirmación de que somos un pobo que vive nunha patria e ten unha causa, un Estado soberano e un dereito á autodeterminación", indicou o mandatario. Tamén dixo que "decidimos acordar os mecanismos para organizar as eleccións xerais palestinas, respectando os resultados e dando as costas ao pasado", referíndose aos 13 anos de división palestina interna que comezou en 2007 coa asunción do poder por Hamas na Faixa de Gaza e que levou á separación de facto entre os dous territorios palestinos. Durante este tempo, ao enfrontamento co Goberno de Israel sumouse o intrapalestino entre faccións, así como unha progresiva desafección e perda de apoio popular nas rúas tanto en Gaza como en Cisxordania. O alto funcionario de Fatah pediu pasar páxina do pasado e abrir unha nova de relacións internas. A unidade ─dixo─ serve "aos intereses nacionais do noso pobo", un paso que "o pobo palestino levaba tempo agardando". En tanto, Al Aruri manifestou que existe "unha oportunidade de ouro para comezar unha nova etapa e apoiar a estratexia do pobo palestino nunha situación tan crucial para facer fronte ao plan de anexión de Israel". "A anexión israelí anula a solución política dos dous Estados e, polo tanto, non haberá posibilidade de estabelecer un Estado palestino constante entre Cisxordania e a Faixa de Gaza", dixo, e asegurou que a súa organización apoia todas as medidas políticas e legais que a Autoridade Nacional Palestina (ANP) está a desenvolver neste sentido. "É un dereito lexítimo resistir a ocupación", afirmou. Tamén Jibril Rajoub considerou que "a anexión será a bala que mate a solución dos dous Estados", mentres que Al Aruri comparou o actual clima político co que se vivía durante os acontecementos que conduciron á Segunda Intifada. Á xuntanza telemática uniuse Ayman Odeh, portavoz da coalición política israelí de esquerdas Lista Conxunta, de maioría árabe, "para apoiar a reconciliación palestina", que cualificou como "un paso necesario para combater a anexión, acabar coa ocupación e conseguir unha paz xusta". O inicio por parte de Israel do proceso de anexión dos asentamentos xudeus en Cisxordania e do estratéxico Val do Xordán estaba previsto para o 1 de xullo. O movemento, que basea a súa 'lexitimidade' no chamado Acordo do Século ─o acordo de paz para Palestina presentado polo Goberno de Donald Trump─, ficou en pausa polo momento. Tamén en pausa ficaron as mobilizacións. A pasada cuarta feira, 1 de xullo, data prevista para o inicio do proceso de anexión tan só se produciron pequenas concentracións en Ramala e Xericó. A ANP decidiu non convocar máis protestas en tanto que non se produza a anexión. En Gaza, porén, a afluencia ao "Día da Ira" convocado por Hamas foi maior. Oposición á medida unilateral de Israel Amnistía Internacional considerou que a anexión de partes da Cisxordania ocupada é "ilegal" e promove "a lei da selva". "A lei internacional é perfectamente clara", sinalou a organización internacional, que pediu accións concretas á comunidade internacional contra a medida unilateral, así como contra o Acordo do Século, que autoriza a anexión de 33% do territorio de Cisxordania, incluído o Val do Xordán e colonias israelís. "A anexión é ilegal. Punto", declarou tamén a comezos desta semana a Alta Comisionada da ONU para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, e advertiu a Israel das consecuencias. E o secretario de Estado do Vaticano, Pietro Parolin, despois de se reunir cos embaixadores de Israel e dos Estados Unidos, reafirmou que "o Estado de Israel e o Estado de Palestina teñen dereito a existir e a vivir en paz e seguridade, dentro das fronteiras internacionalmente recoñecidas". |
NOS_49834 | Xosé Ramón Paz Antón (O Porriño, 1957), músico, pintor, escritor e investigador leva moitos anos recuperando a memoria do período republicano e da represión franquista na Louriña. A cuarta feira pública en 'Os nomes do terror' de Nós Diario un artigo sobre os vitimarios nesa comarca | Ten documentado 135 vítimas mortais para os concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas como consecuencia da represión que seguiu ao golpe de Estado de xullo de 1936, que aspectos destacaría da mesma? En primeiro lugar a cantidade de vítimas é moi alta se a comparamos con outros territorios e máis tendo en conta que Mos e Salceda eran daquela concellos rurais sen un centro urbano destacábel e con feble implantación de organizacións esquerdistas. O caso do Porriño é diferente, alí creouse a Federación de Traballadores en 1898 -unhas das pioneiras de Galiza- e chegou a crearse un Centro Cultural de inspiración libertaria no período republicano. A dureza da primeira represión explícase en grande medida pola participación de moitos veciños e veciñas do val da Louriña nas barricadas e no apoio loxístico a Lavadores e á defensa de Tui no Cerquido. Paseos, penas de morte e prisión foron o castigo para quen participou nas columnas porriñesas e nas de Mos e Salceda que se xuntaron no Porriño o día 20 de xullo. Outro aspecto moi destacábel é a cantidade de vítimas dos concellos da contorna, especialmente de Vigo, que foron paseados nas cunetas da Louriña. Concentradas sobre todo nun extenso lugar de morte seguindo a estrada de Redondela até a Volta da Moura como xa se denunciaba en 1938 no libro O que fixeron en Galiza sobre "a estrada do Porriño". A dureza da primeira represión explícase en grande medida pola participación de moitos veciños e veciñas do val da Louriña nas barricadas e no apoio loxístico a Lavadores e á defensa de Tui no Cerquido A dureza da represión seguro que dá algunhas pistas da dinámica social e política neste territorio no período republicano, que significaría do acontecido en Mos, O Porriño e Salceda de Caselas no período republicano? En Salceda de Caselas e Mos, a dinámica política está marcada polas organización agrarias que gobernan o Concello ata o Bienio negro e logo, en xaneiro de 1936, retornan ao poder local formando parte da Fronte Popular. Son políticos que evolucionan do agrarismo radical até Izquierda Republicana, en absoluto son extremistas. Na última etapa republicana xorde, aceleradamente, a organización do Sindicato de Canteiros e a Casa do Pobo en Salceda e crece o asociacionismo sindical en Mos. En relación ao Porriño, a tradicional hexemonía socialista e da UGT dende principios de século vai compartir espazo durante a II República coa CNT e un incipiente PCE ademais de IR e a Federación Agraria. Xuntábanse na Casa do Pobo, no Centro de Estudios Científicos e Culturais o una Asociación Antifascista de Mulleres do Porriño ou de Cans. E, efectivamente, coincide que estes grupos son os mesmos que están implicados na participación contra o golpe de estado. A dureza da represión é unha "revancha" contra os que ousaron defenderse do golpe militar e ao mesmo tempo cumpre a lóxica do extermino que planificaba o xeneral Mola. Sinala ao comandante militar de Tui, Eduardo Rodríguez González como un peza chave na articulación do aparello represivo após o golpe de Estado, que papel van xogar os militares na posta en marcha do terror? Os militares son os que dan o golpe de Estado e exercen o control, xerarquicamente, está clarísimo. O comandante militar de Tui, nomeado tras conquistar a cidade, ordena encarceramentos, ordena a suspensión de emprego e soldo dun grupo de mestres antes da famosa orde do Gobernador provincial, ordena a persecución dos fuxidos con continuas batidas nos montes que sempre rematan en mortes que se inscriben "por orde ou comunicación do comandante militar", pon en marcha os consellos de guerra en Tui que, por certo, só se celebraron en Vigo e Pontevedra máis algún caso en Vilagarcía, e continúa establecendo as medidas represoras que desenvolven os sublevados. Este capitán Rodríguez procedía do Rexemento de Artillería de Pontevedra, un núcleo moi relevante do golpe militar na provincia e do mantemento dun réxime de terror. Os militares son os que dan o golpe de Estado e exercen o control, xerarquicamente, está clarísimo A comarca da Louriña vai coñecer a actuación de diversas milicias paramilitares, sexan da Falanxe for da Garda Cívica, cal foi a posición en relación coas mesmas das familias abastadas da zona? Unha parte, semella que a máis grande, das familias abastadas apoiaron o golpe e publicamente deixaron mostra dese apoio nas subscricións patrióticas que se publicaban a mares na prensa galega. Pero teño a impresión, sen ter un gran coñecemento do asunto, que salvando algunha excepción a maioría dos paramilitares desta zona procedían dun baixo extracto social. Mesmo a esposa do fusilado Manuel López "Mandamadre" atreveuse a dicirlle aos falanxistas que o foran prender algo así como "con vos no vai, como non veña xente de máis categoría da casa non sae". A xerarquía eclesiástica púxose á carón do levantamento militar na Galiza desde o primeiro momento, que aconteceu nos concellos da Louriña e cal foi o papel do bispado de Tui? O extremismo do abade de Budiño, Fariñas, rematou ferindo dun disparo a un miliciano cando as requisas de armas. Tamén foi sinalado o crego da Picoña por familiares do canteiro paseado Manuel Domínguez como delator que facilitou a súa detención. Pero, polo xeral, vemos á maioría dos cregos exercendo o papel burocrático dos informes. Nalgúns casos decidían a morte ou a prisión dos veciños e logo de escribir lavaban as mans. Entre as excepcións, o crego de Entenza, José Rodríguez, axudou notablemente a salvar vidas dos seus fregueses. Un dato insólito é a condena do párroco de Larazo, en Vila de Cruces, que estivo desterrado en Salceda de Caselas onde chegou en abril de 1937. Salvando algúns casos illados o comportamento do catolicismo viña marcado tamén pola xerarquía, a cúpula eclesiástica. Nefasto foi o papel do bispo tudense García y García, contrastando co exquisito trato recibido polo Comité de Defensa da República de Tui entre o 18 e o 26 de xullo tal como el mesmo recoñeceu. Era o tempo de bendicir armas e aplaudir os fusilamentos, cantos máis mellor. |
PRAZA_18682 | O ministerio demora outro ano e medio a desaparición do dispositivo argumentando problemas de seguridade en determinados trens aos que exceptúa e falta de subministro dos novos equipos para as liñas de vía estreita | O ministerio demora outro ano e medio a desaparición do dispositivo argumentando problemas de seguridade en determinados trens aos que exceptúa e falta de subministro dos novos equipos para as liñas de vía estreitaExposición pública da modificación de prazos na supresión completa do ASFA analóxicoO sistema de seguridade ferroviaria ASFA analóxico, o máis arcaico dos utilizados actualmente en España, non foi quen de evitar o descarrilamento dun tren Vigo-Porto no Porriño o 9 de setembro de 2016 que deixou catro mortos, entre eles o maquinista. Fomento xa previra en 2015 que ese sistema desaparecese por completo e posteriormente fixou como datas máximas o pasado 30 de xuño deste 2018 para a rede ferroviaria convencional e de alta velocidade e o 30 de abril de 2019 para a rede de vía estreita. Porén, o pasado maio o Goberno argumentou problemas de subministro do sistema superior, o ASFA dixital, para aprazar a supresión total do ASFA analóxico ata o 1 de xaneiro de 2019 nas vías convencionais e o 1 de xaneiro de 2020 nas liñas de vía estreita. Agora, a un mes de chegar á primeira data, Fomento volve argumentar problemas de subministro e de seguridade en determinados trens para volver adiar outro ano e medio cada unha desas dúas datas de supresión completa do ASFA analóxico.O Ministerio de Fomento e a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria veñen de someter a exposición pública o borrador dun real decreto que o Goberno pretende aprobar antes de fin de ano para modificar os anteriores reais decretos que fixaban as anteditas datas a partir das cales non podía seguir funcionando na rede española o ASFA analóxico. O dispositivo, denominado Anuncio de Sinais e Freado Automático, avisa aos maquinistas a bordo dos trens das indicacións que tamén lles dan sinais ou semáforos instalados xunto ás vías para que adapten a velocidade do convoi a esas indicacións. O maquinista debe pulsar un botón para recoñecer que é consciente desas indicacións ou senón o ASFA frea o tren de xeito automático. Porén, a súa versión analóxica non frea o tren se o maquinista se limita a recoñecer o aviso do sistema pero non reduce a continuación a velocidade, mentres que a versión dixital si frea o tren de xeito automático aínda que non o faga o condutor tras recoñecer o aviso.A versión analóxica do ASFA non frea o tren se o maquinista se limita a recoñecer o aviso do sistema pero non reduce a continuación a velocidade, mentres que a versión dixital si frea o tren de xeito automático aínda que non o faga o condutor tras recoñecer o avisoMalia que o accidente de Angrois de xullo de 2013 non estivo relacionado coa dualidade dixital/analóxico do ASFA, senón coa avaría dun sistema superior, o de control constante da velocidade ERTMS, propio do AVE, o sinistro de Santiago supuxo o inicio dunha mellora progresiva en toda a rede estatal tanto da normativa de seguridade como dos sistemas efectivamente implantados en trens e vías. Pero esa mellora non chegou a tempo de evitar o accidente do Porriño de setembro de 2016, no que segundo a investigación o maquinista pulsou o botón do ASFA analóxico para recoñecer un sinal que lle indicaba reducir a velocidade a 30 quilómetros por hora pero a continuación non freou e descarrilou a 118 por hora, sen que se coñeza aínda o motivo e sen que o sistema estivese deseñado para actuar de xeito automático nesa situación. Tras o accidente, que deixou catro mortos, entre eles o maquinista, estableceuse que por esa liña só circulasen trens con ASFA dixital.En maio Fomento xa argumentou problemas de subministro para adiar os prazos da substitución total do ASFA analóxico polo ASFA dixitalPosteriormente, foi a través dun real decreto aprobado o 1 de decembro de 2017, que á súa vez modificaba outro de xullo de 2015, cando se estableceu que o ASFA analóxico deixaría de ser usado en toda a rede convencional e de alta velocidade a partir do pasado 30 de xuño e na rede de vía estreita, a antiga Feve, a partir do 30 de abril de 2019. En maio, unhas semanas antes de chegar á primeira desas datas, o anterior Goberno central do PP impulsou un novo decreto finalmente aprobado en xuño xa polo executivo do PSOE polo que se adiaron medio ano os dous prazos. O argumento do pasado maio foi que "os prazos de subministro dos novos equipos embarcados están sendo superiores aos previstos, o que podería levar á inmobilización das circulacións e prexuízos aos servizos".O ASFA analóxico poderá seguir en servizo ano e medio máis nalgúns trens da rede convencional e de alta velocidade e en toda a rede de vía estreitaAgora, novamente ás portas de que se cumpran eses prazos, Fomento impulsa un novo decreto para adialos outro ano e medio. No caso da rede convencional e de alta velocidade, o ASFA analóxico deberá deixar de usarse igualmente como norma xeral o próximo 1 de xaneiro, pero poderá seguir en servizo ata o 30 de xuño de 2020 nos trens nos que tecnicamente non se poida pasar dun sistema de seguridade superior ao ASFA dixital sen ter que deter o convoi. Neses casos, o ASFA analóxico poderá seguir sendo utilizado ata a estación máis próxima porque os expertos consideran que é máis seguro que deter os trens para cambiar de sistemas de seguridade con eles parados ou que circular sen ningún sistema de seguridade. En todo caso, as operadoras ferroviarias deberán realizar análises de riscos desas situacións.Canto ás liñas de vía estreita, o novo decreto vai aprazar a desaparición do ASFA analóxico do 1 de xaneiro do 2020 previsto no último cambio do pasado maio ao 1 de xullo de 2021. Neste caso, Fomento volve argumentar que a implantación xeral do ASFA dixital adíase porque "as empresas ferroviarias manifestaron que os prazos de subministro van ser superiores, ante a dificultade que tiveron ata agora para atopar provedores no mercado". |
NOS_21304 | As denuncias contra 5 militantes nacionalistas polos protestos contra a visita de Merkel son máis unha mostra, afirma, de que desde o poder apóstase en castigar e sancionar "cada vez máis forte e máis cousas". | Iolanda Ferreiro é avogada e membro de Esculca, Observatorio para a defensa dos direitos e liberdades . Hai uns días acompañaba na súa comparecencia perante a prensa aos cinco militantes nacionalistas (BNG e CIG) denunciados por tomar parte nos protestos contra a visita en agosto de Merkel a Galiza. Ferreiro advirte da necesidade de que tod@s tomemos consciencia dos dereitos que temos "e que estamos a perder". Concorda en que nos últimos tempos hai unha escalada represiva sobre movementos e mobilizacións sociais. "Camiñamos cara ao estado policial". As denuncias a raíz da visita de Merkel amosan que os dereitos políticos están tamén no albo de ser ´recortados'? Nestes anos houbo ataques a dereitos laborais e sociais conquistados e, por dicilo así, os dereitos políticos non ían ser menos. É até unha evolución case lóxica e que non se me entenda mal: comezan cos recortes económicos, coas tesoiradas no eido laboral... e iso leva, tamén coa influencia da crise, a unha maior mobilización. Para atallala, póñense en marcha medidas como a Lei de Seguridade Cidadá. "Falamos da 'Lei Mordaza' como algo que cando veña vai supoñer un retroceso grave neses campos cando ese retroceso xa o estamos a vivir agora!" Unha lei, coñecida xa popularmente como 'Lei Mordaza', cuxa aprobación vai supoñer un retroceso nas liberdades públicas... Falamos da 'Lei Mordaza' como algo que cando veña vai supoñer un retroceso grave neses campos cando ese retroceso xa o estamos a vivir agora! O que vai facer a Lei de Seguridade Cidadá é dar cobertura legal, vai formalizar o que está a acontecer. Non é unha lei isolada, senón que xa agora mesmo estamos a ver como se producen esas vagas de sancións, multas, procedementos... Entón, que vai supoñer? A 'Lei Mordaza' vai incrementar os feitos que poden ser sancionábeis e vai ampliar a cuantía das sancións. É a consecuencia lóxica dun goberno que perante calquera problema só sabe xogar a carta da represión. E hai unha cuestión que considero de interese, que é que se queiran substraer determinadas faltas do código penal para pasalas ao procedemento administrativo. É dicir, que esas faltas van pasar a ser castigadas vía administrativa, substraéndoas do control do xuíz penal. E que significa? Houbo moitas mobilizacións, por exemplo a de rodear o Parlament de Catalunya, na que se denunciou a xente e con peticións altas. Mais o xuíz absolveu esas persoas. Por iso óptase pola vía administrativa, pois aí é a persoa denunciada e a administración que, por dicilo así, sería a denunciante. Non hai outro poder -o xudicial- a tentar valorar e tomar a decisión. "A represión pode alcanzar a calquera, xa non é unha cousa que afecte ou atinxa a perigosos 'anti-sistema' Os cinco militantes denunciados concordan en sinalar que os informes policiais non reflicten o que pasou aquel día... No procedemento penal un é inocente até que se demostre o contrario. Mais pola vía administrativa rexe o 'principio de veracidade', é dicir, que se dá por feito que o que se di no documento ou atestado policial é verdade, pártese desa premisa. Na 'Lei Mordaza' hai unha cuestión que creo que se debe destacar: pretende que estea prohibido por parte dos medios de comunicación ou calquera persoa tomar imaxes ou gravar a actuación das forzas de seguridade do Estado". Houbo un aumento nos últimos tempos en Galiza de sancións e procedementos contra as persoas que se mobilizan? Iso é algo que en Esculca detectamos nestes últimos anos. É, e que non se me entenda mal (ri), a 'democratización' das persoas que son obxecto de represión. Sancións, multas, denuncias... poden chegar a calquera, xa non é unha cousa que afecte ou atinxa perigosos 'anti-sistema'. Non, agora hai persoas maiores que protestaron polo calote das preferentes, médicos que se mobilizan en defensa da sanidade pública, emigrantes retornados... que ven que son denunciados ou multados simplemente por se mobilizar. Debemos de ser conscientes dos dereitos que temos e que podemos perder. E de como nolos están a sacar. Por exemplo, o dereito a manifestación. Escoitamos case todos os días falar de manifestacións ilegais e non autorizadas... iso non existe. Cabe que ti comuniques a mobilización por unha cuestión de orde pública, mais o dereito a manifestación está recollido na Constitución. O goberno quere 'baleirar' de contido ese dereito fundamental e vaino facer a través dunha lei de menor rango que a CE. Ese é o tipo de cuestións que debemos ser conscientes que nos estamos xogando, como coa defensa dos servizos públicos, por exemplo. Ser conscientes do moito que estamos a perder. |
NOS_23892 | Desde a organización ecoloxista Adega critican que se estea a tramitar un "proxecto refundido" do que no seu momento fora rexeitado. | A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) denuncia que a Xunta "siga a tramitar (en San Fins) un procedemento caduco que permitiría á empresa reabrir unha mina sen estudo de impacto". A través dun comunicado lembra que, "logo de tentalo en 2016, a mineira de San Fins pretende verter de novo millóns metros cúbicos de augas contaminadas á ría de Noia". A resurrección administrativa O procedemento de solicitude de vertedura iniciouno Tungsten San Fins en 2016 coa idea de baleirar as augas residuais mineiras (máis de 1 millón de m3) que ateigaban as galerías abandonadas e guindalas río abaixo até a ría de Noia. Daquela, e perante a forte oposición social e as denuncias ecoloxistas ao proxecto, Augas da Galiza non resolveu a autorización, resultando desestimado o procedemento. Porén, agora a mineira volta á carga cun "proxecto refundido" daquel de 2016 para "verter novamente as augas da mina, que sorpresivamente Augas da Galiza tramita como o mesmo expediente". Para a organización ecoloxista, "logo de máis de 4 anos do remate do prazo de resolución, fixado en un ano no regulamento hidráulico sen que Augas se pronunciara expresamente, o procedemento ficou caduco". Por este motivo "a pretensión da mineira de tramitar un novo proxecto dentro do mesmo procedemento administrativo que caducou en 2016, e o feito que a Xunta llelo puidera aprobar, suporía unha causa certa de nulidade". |
NOS_20943 | Nas Illes Balears unha muller foi asasinada pola súa parella, apuñalada cun coitelo. En Lugo ingresou xa en prisión C. Gheorghe, quen matou Helena D. a machetadas. Dixo que o fixera "por ciumes". Concentracións de repulsa en Lugo, Vigo e Compostela | Mallou nela á saída dun local de copas. Chegou á casa cando ela xa estaba na cama. Ergueuna e carrastrouna polos pelos desde a habitación até o salón. Amedrentouna cun martelo e quixo guindala pola fiestra. Lévouna despois até o portal e, ao se lle pechar a porta por accidente e quedar el fóra, volveu entrar abríndoa a golpes cunha bombona de butano. Volveu ameazala co mesmo martelo e deixouna alí até que axentes da policía local se presentaron no inmoble, alertados por unha chamada que avisaba dunha discusión entre un home e unha muller. Así relatou una veciña da Coruña a tentativa de asasinato que viña de realizar contra ela o seu compañeiro sentimental na vivenda que partillan, no barrio dos Mallos. O agresor foi detido e pasará esta segunda feira a disposición xudicial. Asasinada en Palma Máis un asasinato machista rexistrouse esta fin de semana nas Illes Balears. Unha muller de 33 anos foi apuñalada cun coitelo polo seu compañeiro, que confesou os feitos unhas horas máis tarde, cando o prenderon. Así as cousas, nos tres primeiros meses do ano que veñen de rematar a violencia machista matou un total de 15 mulleres en todo o Estado, unha na Galiza. Helena D. foi asasinada na sexta feira pola súa parella cunha machada. Esta segunda feira están convocadas en Vigo e Compostela senllas manifestacións de repulsa, ás 20h (diante do museo Marco) e ás 20.30h (na Porta do Camiño). Haberá tamén unha concentración en Lugo, cidade onde residía a muller e onde o Concello decretou tres días de loito oficial. O autor do asasinato, C. Gheorghe, ingresou xa en prisión sen fianza e dixo que matou a Helena D. "por ciumes". |
NOS_56370 | A caída dun viaduto na A-6 continúa marcando a actualidade. Mentres o delegado do Goberno español na Galiza solicita "non especular" coas causas do sinistro, desde a oposición reclaman explicacións ao Executivo estatal. Mentres tanto, unha das construtoras da obra, FCC, garda silencio. | O 31 de xullo de 2002 ficaron abertos ao tráfico a totalidade dos tramos da A-6, após 10 anos de obras e múltiples protestas sociais polos atrasos nos diversos traxectos. A actuación, nalgunhas partes moi complicada pola orografía do terreo, foi executada na maioría dos treitos polas grandes empresas madrileñas da obra civil. Neste sentido, significáronse nos traballos dos tramos galegos e bercianos da autovía empresas como ACS, Sacyr, Acciona ou FCC, nalgúns casos en solitario e na maioría facendo parte de unións temporais de empresas (UTE) con outras compañías. Un dos treitos máis complexos tecnicamente da A-6 foi o tramo que discorre de Castro Lamas, no concello berciano de Veiga de Valcarce; a Noceda, no concello galego de Pedrafita do Cebreiro. O traxecto, de arredor de 10 quilómetros, obrigou a furar dous túneles que no seu conxunto sumaron practicamente 1.000 metros lineais e a erguer cinco viadutos para salvar os desniveis dos terreos de entrada á Galiza administrativa. Asemade, os traballos obrigaron a mobilizar unha gran cantidade de man de obra e numerosa maquinaria, que no momento foi presentada como de última tecnoloxía. Unha baixa ao límite O Boletín Oficial do Estado (BOE) de 26 de xuño de 1997 recolleu a adxudicación do treito da "Autovía do Noroeste na CN-VI de Madrid á Coruña, puntos quilométricos 428 a 438. Tramo Castro Lamas Noceda". A obra foi licitada por 20.265.154.377 pesetas e adxudicada, finalmente, por unha contía de 15.253.581.695 pesetas, cunha rebaixa sobre o prezo inicial de, practicamente, 25%. Fontes do sector indican a Nós Diario que "a oferta á baixa presentada pola concesionaria é moi importante e ese diñeiro nalgún lugar da obra se aforra". A empresa adxudicataria da obra foi unha Unión Temporal de Empresa (UTE) conformada por "Fomento de Construcciones y Contratas, Sociedad Anónima", "OCP Construcciones, Sociedad Anónima" e "FCC Construcción, Sociedad Anónima". A UTE executou o encargo nun período de tempo relativamente curto, levantando dentro do mesmo o viaduto actualmente caído. A comezos de 2017, os responsábeis das estradas do Estado detectaron un importante deterioro da ponte, contratando a realización de diversas actuacións de mantemento. FCC mantén silencio Nós Diario púxose en contacto con Fomento de Construcciones y Contratas para coñecer a súa opinión sobre as causas do sinistro. Así preguntou á construtora "que valoración fai FCC, en canto empresa construtora da ponte de Castro en Pedrafita de Cebreiro na A-6, sobre as causas da caída do mesmo", respondendo a mercantil que "grazas por contactar con nós. Non facemos ningún tipo de aclaración". Ao tempo, o Ministerio de Infraestruturas tamén negou a Nós Diario información sobre a sociedade que ergueu a ponte de Castro na A-6. Fomento de Construcciones y Contratas, coñecida pola súa siglas FCC, era propiedade naquela altura de Esther Koplowitz, sendo na actualidade o seu máximo accionista o multimillonario mexicano Carlos Slim. Pola súa parte, FCC Construcción, outras das mercantís que participou nas obras, non é máis que a división de infraestruturas de FCC, partillando donos coa súa matriz. Os papeis de Bárcenas FCC é unha compañía que apareceu en diversas ocasións relacionada coas tramas de financiamento irregular do PP. Sen ir máis lonxe, o antigo presidente da compañía, José Mayor Oreja -irmán de Jaime Mayor Oreja, ministro de Interior de Aznar e candidato do PP vasco- após aparecer citado en diversos apuntamentos nos papeis de Luis Bárcenas recoñeceu diante do xuíz da Audiencia Nacional, Pablo Ruz, ter realizado diversas doazóns ao Partido Popular. A empresa construtora apareceu sinalada tamén na contabilidade 'B' do PP galego. Segundo un informe elaborado en 2006 polo xerente do PP na Galiza, Modesto Fernández, FCC achegou á caixa dos populares galegos 108.000 euros, probabelmente para sufragar a campaña das eleccións galegas de 2005. José Mayor Oreja José Mayor Oreja estaba en Pedrafita o día da inauguración da ponte caída como máximo responsábel de FCC. Os anos seguintes converteuse nun habitual na Galiza, onde conseguiu importantes contratos para súa empresa. As doazóns ao PP foron parte do seu libro de estilo como directivo. |
NOS_44692 | Máis un número do semanario saído do prelo. Entrevistamos Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, e Margarita Ledo, premio Otero Pedrayo. Mergullámonos na acampada polas persoas sen fogar, no sector lácteo, na riqueza das fortunas galegas... todo isto e máis, xa na nosa loxa. | 'As portas xiratorias seguen a funcionar para o PP galego'. As portas xiratorias son un dos asuntos máis escabrosos da política. A falta de regulación permite que políticas e políticos sentados nun despacho público pasen a dirixir empresas, facendo negocios mesmo en sectores que dependen moito das decisión gobernamentais. Relatamos o paso da vida pública ao empresariado de Carlos del Álamo, Agustín Hernández, Fernández de Mesa e Maria Luisa Brandt. Once meses durmindo na porta do consistorio vigués para denunciar a falta de alternativas habitacionais e as carencias dos servizos sociais. E once meses esperando para ser recibidos polo alcalde da cidade, Abel Caballero, que se nega a escoitar as demandas do colectivo. 'Once meses de acampada polas persoas sen fogar'. 'Unha universidade clasista e ao servizo do mercado'. O Plan Boloña supuxo unha aceleración na privatización dos estudos públicos. Entrevistamos o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez. "Parece que Feijóo deu Ferrol por perdida", afirma. 'Baixo a superficie da paz láctea'. Os tractores desapareceron do foco mediático. E con esa desaparición os problemas do agro, especialmente os que afectan o sector lácteo, pasaron a segundo plano. A Xunta presume de "estabilidade" e de "evolución positiva dos prezos". Os produtores, porén, alertan da fraxilidade da situación. E os partidos opositores lamentan a ausencia de alternativas. Segundo os últimos dados dispoñíbeis, en 2017 desapareceron 424 explotacións leiteiras. "Somos os últimos no prezo do leite e os primeiros no número de feches", denuncia a Federación Rural Galega (Fruga). Entrevistamos Caridade Valcourt, activista feminista haitiana que traballa con organizacións locais de mulleres haitianas ao redor do liderado feminino ou da integración de conceptos de dereitos humanos e das mulleres. A ofensiva militar de Ankara, rexeitada polo Goberno sirio, quere expulsar as milicias curdas, aliadas de Washington, da súa frontera. 'Agrávase a tensión entre os EUA e Turquía'. As grandes fortunas declaran 2.000 millóns de euros máis en apenas un ano. 'Esa Galiza que é cada vez máis rica'. O persoal forzou a intervención do Goberno galego despois de meses de mobilizacións nos que conseguiron reunir o apoio unánime de forzas políticas e dos concellos afectados. A empresa quere levar acabo un novo ERE, o oitavo en menos dunha década. 'Maderas Iglesias, en mans da Xunta'. Jásper Nao estrea sección e danos una primeira entrega dos textos sobre música galega contemporánea. Entrevistamos Margarita Ledo, a primeira muller que gaña o premio Otero Pedrayo, convocado pola Xunta e as catro deputacións –de maneira rotatoria–. "Galiza é unpaís subexporto, moi censurado". Continuamos este 2018 coa sección "A Galiza ignorada", de periodicidade mensal, que creamos o pasado ano para divulgar a nosa historia á marxe de visións estereotipadas e interesadas. Nesta primeira entrega, Cilia Torna centrarase en Galiza durante a Alta Idade Media. E non faltan as achegas e colaboracións. De Xoán Costa, Pilar García Negro, Xabier Queipo, Nachortas e Tokio, Iago Varela, Mario Regeuria, Andrés Castro, Julián Bustelo, Colectivo Xea, Polaroid, Pepe Barro, Olaia Ledo. |
NOS_44417 | Pouco sabemos deles, pero unha exposición da Deputación de Ourense promete poñer algo de luz neste misterioso período no que a Gallaecia se converteu no primeiro reino medieval de Occidente logo da chegada deste pobo xermánico. Eis un extracto da reportaxe que publicamos ao respeito no número 242 de Sermos Galiza. | En Galiza hai catro lugares chamados Suevos, en Ames, Arteixo, A Baña e Mazaricos. E só fican 43 persoas que leven este apelido en todo o país. A pegada deste pobo -chegado da Panonia centroeuropea- na Galiza actual é escasa, aínda que nos últimos anos algúns grupos culturais, entre eles a Gentalha do Pichel, reivindicaran o noso pasado suevo, recuperaran a bandeira amarela co león e o dragón e mesmo festexaran o San Martiño de Dume como o San Patricio galego que trouxo o cristianismo a Galiza. Este período da Gallaecia da tardo-antigüidade é un dos máis escuros pola escaseza de fontes e quizais por iso nunca se tivera feito ningunha exposición monográfica sobre os suevos, como si se fixeron doutros pobos chamados bárbaros no sur de Europa, como os godos, os visigodos ou os vándalos. Tampouco é unha época moi estudada no ámbito académico galego, polo que a nova da exposición In Tempore Sueborum -que organiza a Deputación de Ourense e que se estreará o vindeiro novembro- foi recibida con expectación en moitos ámbitos. De feito, tal e como recoñece Jorge López Quiroga, un dos comisarios da mostra xunto con Artemio Martínez, moitos museos galegos e portugueses xa se interesaron, ao igual que o Museo Nacional de Bratislava. E algunhas cidades como Braga, capital daquel reino, amosaron xa o seu desexo de acollela tamén alí. [Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 242, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais] |
NOS_4329 | Desde 2012 o cadro de persoal encadea reducións salariais e un ERE temporal ao que agora se suma o despedimento de 7 profesionais fix@s e 3 bolseir@s. | O comité de empresa do Diario de Pontevedra convocou unha folga dunha semana que comezará esta cuarta feira (5 de novembro). Fíxoo co apoio da maioría d@s traballador@s do medio de comunicación após anunciárenlles o despedimento de 7 profesionais fix@s e 3 bolseir@s. Os despedimentos veñen sumarse ás reducións salariais acordadas entre a empresa e o comité en 2012 logo de que se lle trasladara ao persoal que a situación económica do diario --pertencente ao grupo El Progreso-- non era moi boa. As reducións oscilaron entre o 4% e o 20% de acordo coa situación de cada traballador/a e a partir de abril-marzo de 2014 aplicouse un Expediente de regulación de emprego temporal "precisamente para que non houber despedimentos", explicou o presidente do comité de empresa, Enrique Míguez en conversa con Sermos Galiza. Após unha xuntanza decorrida o 15 de outubro na que a empresa asegurou que asumirían as perdas, o pasado día 28 de outubro anuncióuselles que 7 empregad@s e 3 bolseir@s serían despedid@s. "O comité sempre amosou disposición de dialogar mais despois desa xuntanza saímos moi cabreados", sinalan. Polo que decidiron através dunha asemblea de traballador@s convocar unha folga pois, din, "cremos que nos están tomando o pelo". O paro durará unha semana e comezará ás 09.00 a.m desta cuarta feira (5 de novembo). "Se a partir do día 12 non hai novidades continuaremos". Ese mesmo día, o 5, teñen convocada unha xuntanza coa empresa mais "non sabemos se poderemos chegar a un acordo pois as posicións están moi distanciadas", sinala Míguez. "Que se aplique un ERE e agora se despida a traballadores non nos parece xusto", subliña. Neste senso, o estado de ánimo entre o cadro de persoal caracterízase polo "cabreo" xeralizado que prevé un seguimento próximo ao 100% da folga. A partir de mañá comezarán tamén un calendario de mobilizacións que se concretará coa convocatoria dunha concentración na Praza da Peregrina (Pontevedra) e ás portas das oficinas do diario, entre as 12.00 e as 13.00 horas, durante toda a semana. |
NOS_44928 | Un xulgado de Compostela desestimou unha demanda dunha familia que pedía a anulación da matrícula dun alumno de 1º de Bacharelato que estaba nesa situación.A denuncia fíxose a iniciativa da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e contou co asesoramento da asesoría xurídica da CIG-Ensino. | Que para estudar Robótica ou Coeducación para o século XXI no Bacharelato na Galiza haxa que cursar a materia de Relixión xerou o rexeitamento de estudantes, profesorado e familias mais un xulgado vén de avalar esa obriga. CIG-Ensino informa que unha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Compostela desestimou unha demanda dunha familia que pedía a anulación da matrícula dun alumno de 1º de Bacharelato que se viu nesta situación. "O auto exime de toda responsabilidade a Xunta de Galiza malia ser esta a que publicou o Decreto de 2015, que emana da LOMCE e que regula as materias que se deben cursar como específicas en 1º de Bacharelato. Esta mesma situación tamén se dá co alumnado que escolle Coeducación para o século XXI nese mesmo curso", explica o sindicato maioritario no ensino público galego. Lamenta a CIG que o xuíz encargado de ditar esta sentenza asuma como "natural" que se teña que prescindir obrigatoriamente de Robótica se non se quere cursar Relixión católica e desbote os argumentos achegados na demanda que aludía a que a obriga de optar pola Relixión para poder elixir Robótica vulnera o dereito fundamental á educación, en relación cos dereitos fundamentais de liberdade ideolóxica e de igualdade. A fundamentación da denuncia, explica a central, contra o acto de matrícula materializado no curso 2017/2018 baseábase en que "o alumnado con conviccións relixiosas católicas poderá cursar todas as materias do currículo escolar, mentres que o alumnado que queira ver respectadas as súas conviccións verá restrinxida a súa capacidade de elección, dispoñendo dunha oferta curricular menor". No auto atribúese a responsabilidade desta situación exclusivamente á configuración da oferta formativa dos centros educativos, sen ter en conta que a norma que regula o currículo de 1º curso de Bacharelato emana da LOMCE e que a Consellaría de Educación tamén tería potestade para modificar esta cuestión. "No citado Decreto 86/2015 especifícase que Relixión católica é a única materia específica cunha carga lectiva dunha hora semanal e que o total de horas que deben sumar as materias específicas de opción e as de libre configuración neste curso é de seis horas semanais, tendo que cursar o alumnado un total de tres. Pola súa parte, Robótica, Antropoloxía ou Coeducación para o século XXI, por exemplo, son materias de libre configuración autonómica que, segundo as Ordes da Xunta que as regulan, teñen unha carga lectiva de dúas horas semanais. Así pois, e dado que os centros teñen que ofertar, sempre que teñan matrícula suficiente, todas as materias específicas (que teñen disparidade horaria chegando algunhas a catro horas semanais), calquera estudante que opte por algunha das materiais de libre configuración autonómicas terá que completar obrigatoriamente as seis horas con Relixión católica". Parlamento O BNG exixe a derrogación da LOMCE e a supresión da relixión do currículo escolar. "A sentenza xudicial é moi clara, para garantir o dereito do alumnado a non cursar relixión obrígante a renunciar a formación noutros ámbitos como a Robótica", indican as nacionalistas, que teñen claro que "non se é libre para escoller cando se obriga a renunciar, cando se restrinxe a capacidade de elección daquel estudantado que non quere cursar relixión". |
NOS_32452 | "Educación, educación e educación en igualdade debe ser a prioridade", reclama Ana Pontón. | "Educación, educación e educación en igualdade debe ser a prioridade", reclamou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa ofrecida esta segunda feira, 14 de xuño, na Cámara galega. Nese sentido, propuxo implantar no sistema educativo unha materia específica e obrigatoria en igualade que sensibilice contra a violencia machista. Destacou tamén que a súa formación traballa, xunto co resto dos grupos, para que a proposición de lei de violencia vicaria impulsada polo BNG quede aprobada antes de finalizar o actual período de sesións. Xunto coa petición de máis medios contra as violencias machistas, apelou á implicación dos medios de comunicación, en particular dos públicos que, na súa opinión, deberían ter na programación e de forma permanente campañas, programas e contidos específicos que sensibilicen contra a violencia de xénero e promovan a igualdade. Pontón asegurou que "un maltratador non é un bo pai" e pediu modificar a lexislación para que cada vez que haxa un caso de violencia machista desde a xustiza sexa revisado o réxime de custodia e de visitas. Propuxo revisar os protocolos dos puntos de encontro familiar e crear un mecanismo específico para valorar o nivel de risco en que se poidan atopar as crianzas das mulleres que sofren violencia machista. Transferencia da AP-9 Noutra orde, o BNG denunciou onte que a tramitación da proposición de lei para a transferencia da AP-9 á Galiza está a demorarse "de maneira inxustificada" desde o pasado mes de febreiro en que foi admitida a trámite polo Congreso. Co obxectivo de que poida ser aprobada canto antes, o deputado do BNG, Néstor Rego, convocou para esta terza as e os deputados electos na Galiza do PP, PSOE e Unidas Podemos para acordar conxuntamente as accións a realizar para lograr canto antes a transferencia. |
NOS_42662 | Corte grave no emprego nos meios de titularidade pública de Catalunya. Após rachar as conversas co comité de empresa, a Corporación Catalá de Meios Audiovisuais anuncia un ERE que atinxirá 312 traballadoras e traballadores. | Non só se reducirá emprego: tamén haberá unha rebaixa salarial, na contorna do 7,5 %. A empresa tenciona reducir o orzamento nun 17 por cento. A parte do león da factura correrá por conta do cuadro de persoal. A Corporación anuncia aínda cortes nos salarios dos directivos, mas non os concretiza. Os executivos da CCMA embolsan arredor de 10 millóns de euros ao ano, segundo dados da propria compañía. Fontes sindicais elevan a cifra aos 20 millóns de euros, se se computar as percepcións de directivos non suxeitos a convenio. |
NOS_35483 | No A Fondo desta semana visitamos os catro museos que forman parte da Rede Museística de Lugo –constituída polo Museo Provincial de Lugo, San Paio de Narla, Museo do Mar e Pazo de Tor-. Xestionada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo, a Rede ofrécenos unha ollada diferente sobre os museos. Á venda nos quiosques e na loxa. | O monográfico abre cunha colaboración de Encarna Lago, xerente da Rede Museística de Lugo, na que recolle opinións de artistas, comisarios e outros axentes sociais e culturais arredor dos catro museos, para pasar a abordar a continuación cada un dos centros. Na peza "Museo Provincial de Lugo: 10 obras senlleiras", Aurelia Balseiro, museóloga e directora deste centro, converte as dez obras máis recoñecidas nun decálogo de motivos para coñecer este museo. Así, recolle o Torques de Burela, a Estela de Crecente, a Tabula hospitalis, O Cruceiro (Castelao), A Escola de Doloriñas (Xulia Minguillón), A guía postal de Lugo (Maruxa Mallo), A Ofrenda a San Ramón (Francisco Asorei), o Bargueño, o Reloxo de sol e o Xerro de Gundivós. "Museo do Mar, o máis accesíbel de Galiza" é o título da colaboración de Ángeles Miguélez Martínez, a vixiante guía deste centro. Explica que se acometeron reformas no centro que o fan accesíbel a todos e a todas, comezando por ela mesma, unha persoa cega total. Aliás, dá conta dos elementos que forman parte das distintas salas do museo, sobre naufraxios, os oficios do mar, a carpintaría de ribeira, a vida mariña ou até o pasado baleeiro do noso país. Francisca Abuín, vixiante guía en San Paio de Narla, describe todo o que nos podemos atopar nesta fortaleza-museo, desde a agricultura aos oficios tradicionais, armas, elementos arquitectónicos e decorativos. Salienta a cantidade de actividades que se organizan no centro, pois San Paio de Narla avoga pola pedagoxía museística partícipe e desenvolve unha ampla programación didáctica ao longo do ano. "Mil e unha razóns para visitar o Pazo de Tor" é a peza que escribe Tar López, vixiante guía deste centro, un pazo que supón unha fiel representación dos modos de vida dos señores e caseiros dos séculos XIX e XX. Trátase dunha das máis importantes mostras da arquitectura pacega do país que permite observar mobiliario orixinal e coleccións artísticas. Fecha o A Fondo Xosé Ferreiro, delegado da Área de Cultura da Deputación de Lugo, quen presenta a Rede Museística como centros de cultura para facer país. Tamén avanza que o departamento que xestiona traballa nun ambicioso proxecto "Engánchate á cultura, engánchate ao País" para que os centros educativos poidan visitar estes catro museos. "Achegar a cultura a todas as persoas, especialmente ás crianzas, é un obxectivo irrenunciábel e sabemos que é un dos camiños máis seguros para ir construíndo o país que queremos e necesitamos", afirma. [Este A FONDO está á venda, xunto co semanario, nos quioscos e na loxa] |
NOS_37879 | A xuíza da Audiencia Nacional Carme Lamela aceita a petición da fiscalía e ordena prisión incondicional para o vicepresident e 7 consellers baixo os cargos de rebelión e sedición. A nómina de presos políticos ascende neste momento a 10, sendo que desde 16 de outubro están na cadea Jordi Sànchez e Jordi Cuixart, líderes de ANC e Òmnium Cultural. | A xuíza Carme Lamela aceitou todas e cada unha das peticións da Fiscalía e, portanto, dita orde de prisión incondicional para o vicepresident Oriol Junqueras e os consellers Jordi Turull, Josep Rull, Raúl Romeva, Joaquim Forn, Carles Mundó, Dolors Bassa e Meritxell Borràs. Para o conseller demisionario Santi Vila (PDdeCAT), quen abandonou o Govern en desacordo coa DUI, Lamela fai tamén caso ao Ministerio Público e decreta prisión eludíbel sob fianza de 50.000 euros. Vila entrará de todos xeitos en prisión e só poderá saír á rúa cando faga efectivo o pagamento. Na argumentación da súa decisión, a xuíza fai alusión ao risco de fuga e alega que "algúns xa se teñen desprazado a outros países -en clara alusión a Puigdemont e outros 4 consellers- a eludiren as responsabilidades penais en que puidesen ter incorrido". Na interlocutoría ditada pola xuíza [resolución xudicial previa á sentenza que en teoría non prexulga o contido desta], alégase tamén a hipótese da reiteración delictiva e o risco de destrución de probas para xustificar a prisión incondicional. Orde de detención a Puigdemont e os 4 consellers A respeito do president e os consellers que acompañan, a xuíza ditará unha Orde Europea de Detención e Entrega (OEDE) contra eles. A OEDE é o procedimento que substiúe o da extradición entre os Estados membros da UE. Non hai violencia O xuízo ten un marcado carácter politico, sendo que os cargos que se imputan a Puigdemont e ao resto do Govern non se sosteñen de pé, como teñen sustentado un bon feixe de xuristas e até Diego López Garrido, o ponente da reforma do código penal de 1995 -en concreto do seu artigo 472, delito de rebelión-. O artigo 472 é moi explícito ao acotar o delito de rebelión a quen se alce "violenta e publicamente" para conseguir determinados fins, entre eles o da declaración de independencia. É evidente que na sesión do 27-O en que se produciu a DUI en ningún momento nen Puigdemont nen o resto de membros do seu gabinete utilizaron a violencia. Tampouco cabería a imputación por sedición porque non ten habido ningunha incitación aos tumultos para subverter a legalidade española, sendo que as mobilizacións independentistas se teñen conducido por vieiros absolutamente pacíficos. |
NOS_5532 | Antes da irrupción da pandemia, en 2019, a Federación Galega de Tiro Olímpico emitira 3.980 licenzas, a cuarta cifra do Estado só por detrás de Catalunya, València e Andalucía. Porén, o tiro é unha modalidade que aínda arrastra certos estigmas a pesar de que deu á Galiza campións do nivel do meirense Miguel Colmenares (1958). | Como foi o seu primeiro contacto co tiro? De casualidade, como adoita acontecer (ri). O meu pai tiraba e, nun momento determinado, decide non continuar, así que me decido a probar co aire [tiro olímpico] e encántame. E con esa decisión comezou unha traxectoria da que o seu primeiro torneo internacional foi en Portugal no ano 2010. No seu caso é misión complicada de resumir, pero con cal de tantos éxitos galegos, estatais e internacionais quedaría despois de todo este tempo? Co primeiro Campionato do Mundo, pola felicidade tan intensa que sentín. Naquela época dicía que estaba flotando, tres días sen tocar o chan. Ser campión do mundo é algo que nin soñas. Tanto é así que chegou a contar que cando comezaba a súa máxima ilusión era a de quedar de campión provincial. Como se pasa diso a ser varias veces campión do mundo? Efectivamente. E, como en todos os deportes, os principios son duros, vas pouco a pouco, progresando, pero estás moi lonxe da xente de cabeza... tes unha ilusión. Por exemplo, pensas "se eu un día fose campión provincial...", pero logo van xurdindo cousas novas, obxectivos máis grandes, e aos poucos vas medrando e superando etapas. E como decorreu ese percorrido que o levou a un mundiño tan particular como o das armas clásicas? Eu comecei competindo con pistola de aire comprimido, pero sen deixar de lado o fogo, porque aos que nos gusta tirar, gústanos tirar con todo. Un día, vin un compañeiro cunha arma rarísima, que cargaba pola boca, cuns útiles que non coñecía: embude, martelo... pareceume tan interesante que merquei a miña primeira arma de avancarga, así que deixei un pouquiño de lado as modalidades deportivas e as olímpicas e decanteime por esas de avancaga. Que se integra exactamente na categoría de "armas históricas" e como é unha competición de avancarga? Armas históricas hai de dous tipos: as de avancarga e outras que son exclusivas de España que teñen como principal característica o uso de cartuchos metálicos pero cargados con pólvora negra, non nitro. De todos modos, destas non hai competicións internacionais, só a nivel do Estado español, porque non están recoñecidas. As de avancarga, pola súa parte, son esas nas que non se utilizan cartuchos, senón que se carga a pólvora ou ben pola boca do canón ou a través do tambor, no caso dos revólveres. Logo, nas competicións, fas 13 disparos, dos que computan soamente os 10 mellores. O tiro ten unha dificultade que parece que ás veces só entenden as persoas que tiran, pois a concentración, a respiración ou o equilibrio, entre outros factores, son vitais e poden arruinar un disparo. Que considera máis difícil deste deporte tan pouco coñecido? Para min o fundamental, a chave do éxito e de facelo ben, é a concentración. Por moita técnica que teñas, por moi ben que o fagas, como na cabeza teñas outras cousas do tipo "mira que ben vou, podo facer tantos puntos", aí perdiches a concentración e a tirada tórcese. A min é o que máis me custa. Ter pulso é importante, pero sen concentración non conseguirás resultados de elite. Como traballa vostede nese aspecto? Realmente non fago ningún exercicio específico de concentración, tan só procuro non pensar en nada máis que en estar ao que ai que estar, que son as miras, non moverme... do contrario, hai que baixar a arma e renunciar ao disparo. A pesar de toda esa dificultade é un deporte que practican desde xente moi nova até moi maior, e que economicamente non é inaccesíbel. Si, hai unha figura moi habitual que é a dun señor que comeza a practicar coa xubilación. Tes tempo libre, e unha afección moi boa é o tiro. Non chegarán a uns resultados extraordinarios, pero para divertirse, gozar e pasar un bo rato e esquecerse dos problemas está moi ben porque, efectivamente, está ao alcance de todo o mundo e de calquera idade. Aínda así, queda xente para a que o tiro ten un certo estigma como deporte violento, por dicilo dalgún modo. Que lles diría? Hai un prexuízo moi grande sobre iso, porque como se utilizan armas hai xente que di "a min as armas non me gustan nada". Non obstante, a todo o mundo lle gusta a arma máis perigosa que existe na actualidade, que é o coche. Nas competicións de tiro non hai apenas accidentes nin falecidos, pero mortos provocados polos automóbiles, todos os días. Por outra parte, calquera persoa que crea que o tiro é un deporte violento debería vir a unha galería e ver o que hai aí. Parécese moito máis a un oficio relixioso que a un deporte violento, só verá persoas caladiñas e concentradas nas súas cousas. Violencia hai nos partidos de fútbol da fin de semana: patadas, golpes, empurróns, insultos... no tiro non verás nada así, nin unha mala palabra a un compañeiro, todo o contrario. O que hai son prexuízos. O tiro é a antítese da violencia. |
NOS_34626 | O sinistro produciuse na noite de onte cando un cabalo invadiu a calzada. O conductor do autocar quixo esquivalo pero non foi posíbel e o atropelo provocou a perda de control do vehículo. | Unha vintena de traballadoras e traballadores de PSA Citröen resultaron feridas a última hora deste terza feira nun accidente de tráfico sufrido por un autobús que os trasladaba aos seus domicilios e que envorcou ao seu paso pola localidade de Oia. Segundo os servizos de emerxencias, o accidente tivo lugar pouco antes das 23.00 horas, no quilómetro 26 da estrada PO-552, que une Vigo coa Guarda, concretamente ao seu paso pola parroquia de Mougás. O sinistro orixinouse por un cabalo que invadiu a calzada. O condutor do autobús, da empresa ATSA, tratou de esquivalo pero non tivo éxito, e terminou atropelándoo, o que provocou que o vehículo envorcase. No autobús viaxaban unha trintena de traballadores da factoría viguesa, que volvían aos seus domicilios tras terminar a xornada laboral. Segundo a información do 112-Galicia, a maioría dos pasaxeiros lograron saír polo cristal traseiro do vehículo polo seu propio pé, polo que non foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Baixo Miño, que foran alertados tras o accidente. Até a zona desprazáronse a Garda Civil e efectivos do GES da Guarda e de Val Miñor, co obxectivo de garantir a seguridade na zona. A circulación nese punto da estrada mantívose cortada até esta mañá. A maior parte dos feridos, os máis leves, foron trasladados nun autocar da mesma compañía até o centro hospitalario de referencia, mentres que os que presentaban lesións de máis consideración, un total de sete, foron en ambulancias até distintos hospitais. |
NOS_22304 | Participan trece iniciativas galegas e portuguesas. Realiza a súa primeira reunión no marco do Foro na Maré-Cantos na Maré. | Nace a Rede da Galilusofonía, no marco do Foro da Maré-Cantos na Maré, impulsada por diferentes iniciativas galegas e portuguesas que partillan o obxectivo común de difundir a música e as artes e aproximar a língua e a cultura de Galiza e de toda a Lusofonia. Estas iniciativas, con diferentes enfoques e formatos decididen xuntarse co obxectivo de amalgamar esa audiencia para dar novos pasos na dirección pretendida, sumando esforzos e recursos humanos e materiais. Entre as iniciativas que manifestaron a súa adhesion á Rede están A Mesa pola Normalización Lingüística, Academia Galega da Língua Portuguesa, AGAL-Associaçom Galega da Língua, AJA Galiza-Núcleo da Associaçom Jose Afonso na Galiza, aRi[t]mar galiza e portugal-Escola Oficial de Idiomas de Santiago, Cantos na Maré, Castro Galaico Festival de Nogueiró-Braga, Convergências Portugal Galiza-Braga, Festival da Poesia no Condado-SCD Condado, Fundación Via Galego, Ponte a Portu-Gal-Concello de Ponteareas, Ponte nas Ondas eTraz outro amigo também-Concello de Cedeira. A Rede pretende agora reunir todas estas iniciativas arredor dun Foro e un Espazo internacionais. |
NOS_43459 | "Estamos a traballar cos ucraínos para evitar que ese material de investigación caia en mans rusas, no caso de que o fagan", asegura a subsecretaria de Estado para Asuntos Políticos dos Estados Unidos. | A subsecretaria de Estado para Asuntos Políticos dos Estados Unidos (EUA), Victoria J. Nuland, recoñeceu na última sesión do Senado a existencia de "instalacións de investigación biolóxica" situadas en solo ucraíno. Yolanda Díaz desmárcase de Belarra e apoia a decisión de Sánchez de enviar armas a Ucraína Nuland respondeu así a unha pregunta formulada polo senador Marco Rubio, en relación á "invasión rusa de Ucraína", sobre se Ucraína ten armas químicas ou biolóxicas. A subsecretaria de Estado, que nun primeiro momento dubida en que responder, tal e como pode verse no vídeo, afirma que si existen estas instalacións de investigación biolóxica, para despois sinalar a "preocupación" de que "as tropas rusas poidan tomar control das mesmas". A UE, por vez primeira, proporcionará armas letais a Ucraína "Estamos a traballar cos ucraínos para evitar que ese material de investigación caia en mans rusas, no caso de que o fagan", prosegue. "Propaganda rusa" Hai menos dunha semana, o Goberno ruso denunciou a existencia de instalacións ucraínas que contaban con apoio da Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN), nas que se estaban a desenvolver "armas biolóxicas" para atacar a zona do Donbás en cooperación coa OTAN, algo que os Estados Unidos e o resto da comunidade internacional cualificou de "propaganda rusa". Na súa intervención, o senador Rubio fai referencia a esa "teoría da propaganda rusa", e cuestionou a Nutland se, no caso de producirse algún tipo de ataque biolóxico ou químico en Ucraína, "sería 100% culpa dos rusos". Lavrov: "Fálase dunha posíbel guerra nuclear, mais non por parte de Rusia, senón da OTAN e Ucraína" A subsecretaria de Estado asegurou que non tiña ningunha dúbida desa posibilidade, e engadiu que, se trata da "clásica técnica rusa de culpar ao inimigo do que eles mesmos están a facer", en referencia á estratexia de 'falsa bandeira' que tanto Rusia como os propios Estados Unidos levan anos a empregar en diferentes territorios. |
NOS_28344 | Máis de 31.000 sinaturas apoian a ILP polo emprego que esta terza feira defende no Parlamento de Galiza o secretario xeral da CIG, Suso Seixo. O debate (apartir das 10 h, segundo ponto na orde do día) pódese acompañar através do web do Parlamento. | O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, será o encargado de presentar esta terza feira a Iniciativa Lexislativa Popular polo emprego no pleno do Parlamento. Unha iniciativa que ten o apoio dunha manchea de concellos, comités de empresa e organizacións sociais."Agardamos levar unha sorpresa e que o PP sexa tamén sensíbel a esta problemática e que co seu voto faga que as medidas se convertan en propostas de lei, mais temos dúbidas de que se desmarque das políticas que están a desenvolver desde a Xunta, desde onde se está a facer seguidismo do Goberno español e a UE na destrución de emprego e nunha maior precariedade", sinala Suso Seixo que conta por adiantado co compromiso de todos os grupos da oposición que xa manifestaron o seu apoio á ILP. En declaracións a Sermos Galiza, o secretario xeral da CIG afirma: "A Iniciativa contou cun apoio social importante, con máis de trinta e unha mil sinaturas e con multitude de persoas que participaron en todos os actos, en especial, nas Marchas en defensa do emprego, con boa acollida tamén nas institucións nas que se presentou, con 33 concellos que votaron a favor". Seixo fai un balanzo moi positivo da campaña para a recollida de apoios e difusión da ILP que se desenvolveu desde o sindicato nacionalista. Todos os grupos da oposición garantiron o seu apoio a esta ILP impulsada pola CIG A Iniciativa Lexislativa Popular leva ao debate político e institucional un dos máis relevantes problemas sociais, o desemprego e as súas consecuencias. Recolle no seu texto cen medidas para o crecemento económico e a creación de emprego e insistirá no grave momento polo que está a atravesar a clase traballadora pola situación provocada pola crise e a aplicación de políticas neoliberais. A CIG buscou desde a presentación pública da iniciativa abrir un debate social e político sobre a destrución do emprego, o empeoramento das condicións laborais, un maior empobrecemento, incremento da emigración, fundamentalmente xuvenil, e aumento dos índices de exclusión e empobrecemento. O emprego ao primeiro plano "Imos ao Parlamento co firme convencemento de que a ILP ten toda a razón de ser perante un problema tan grave. Consideramos fundamental que se cambien as políticas que se están facendo. Asúmese que o problema é importante, mais as políticas que se promoven non van encamiñadas a solucionalo. As políticas de emprego que se están a aplicar están claramente fracasadas e só son sostíbeis desde o punto de vista duns gobernos e un PP que responde aos intereses dos bancos e do capital", defende Suso Seixo, horas antes de subir á tribuna parlamentar a defender a ILP promovida pola CIG. O sindicato nacionalista agarda que o debate parlamentar responda á urxencia de pasar a primeiro plano as políticas polo emprego e o crecemento económico e que o masivo apoio recibido tanto por parte da cidadanía como por comités de empresa de multitude de empresas sexa reflectido no debate parlamentar. Canto á resposta política, a CIG reuniuse con todos os grupos parlamentares e, agás o PP, todos anunciaron que apoiarán a iniciativa. O partido no goberno prometeu estudar o texto e manter unha nova xuntanza que, finalmente, non se chegou a producir. A CIG demanda a transferencia a Galiza das competencias en materia laboral que aínda son do Estado O sindicato nacionalista recolle no seu texto medidas encamiñadas a demostrar que "é posíbel facer outras políticas que sexan realmente xeradoras de emprego" que serían competencias tanto do Parlamento como do Goberno da Xunta, aínda que o Congreso reserva tamén competencias en materia laboral, para o que reclaman que desde as institucións galegas se esixa a súa transferencia. A ILP presentouse en setembro de 2013 e rexistrouse no mes de outubro, comezando a campaña de busca de apoios e recollida de sinatura na que se acadaron máis do duplo do número preciso para o seu debate en sede parlamentar, un total de 31.232. A iniciativa foi tamén debatida en máis de 60 concellos como moción de apoio. Foi aprobada en máis da metade. |
NOS_20715 | Galiza Mellor Sen Touradas convida a asociacións veciñais, plataformas en defensa dos servizos básicos e entidades de todo tipo a estar no protesto. | A plataforma 'Galiza, Mellor Sen Touradas' informou de que máis dunha vintena de colectivos xa deron o seu apoio á manifestación antitaurina que terá lugar este domingo, 5 de Outubro, con saída no Obelisco e que chegará ata a praza de María Pita. Son 24 colectivos de todo tipo, entre as que hai asociacións protectoras de animais, entidades ecoloxistas e formacións políticas. "A pluralidade e a transversalidade da convocatoria está a dar os seus froitos", indican desde GMST, onde agardan que se transpoña esta adhesión organizativa nunha maior mobilización cidadá o vindeiro domingo. A plataforma cuestiona as facilidades que o goberno municipal está a dar á UTE adxudicataria, facendo do coliseum o seu "predio" particular dende onde distribuír mercadotecnia que vulnera posicionamentos do Parlamento de Galiza canto á presenza de nenos nas prazas de touros. O voceiro da alianza, Rubén Pérez, chamou a participar na marcha do domingo ao conxunto dos "colectivos agredidos", entre os que inclúe as familias con persoas dependentes e sen axudas, as e os estudantes sen bolsa... Preestrea do anuncio A cuña radiofónica coa que os abolicionistas, coa axuda económica da Asociación Animalista Libera, quer chamar a atención da cidadanía, obtivo resultados positivos na súa preestrea a través das redes sociais, acadando máis de 65.000 reproducións. |
NOS_55375 | Antón Sánchez foi reelexido como portavoz na IV Asamblea Nacional de Anova nunha lista na que Xosé Manuel Beiras ocupa o número cinco e Martiño Noriega, ex alcalde de Santiago, o tres. | Antes de participar na IV Asemblea Nacional de Anova-Irmandade Nacionalista, celebrada este sábado en Teo, Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova, xa avisaba de que era prematuro falar de pactos electorales. Tras a conclusión da asamblea, Antón Sánchez resultou reelixido como portavoz nacional nunha lista única que contou con Beiras no número cinco e co exalcalde de Santiago Martiño Noriega no tres. O acto, celebrado no Hotel Congreso de Teo, rematou con berros de "Independencia, independencia!" e cunha chamada do seu portavoz nacional a "renunciar a posicións de parte" para sumar, cando "o fundamental reside na defensa do ben común". "Por nós non vai quedar", afirmou. Ás voltas coa fórmula Precisamente, esta Asemblea Nacional celébrase en pleno debate sobre a fórmula coa que a esquerda rupturista concorrerá ás autonómicas do 2020 despois do fracaso de En Marea como plataforma. Neste sentido, o conclave de Anova contou coa presenza do portavoz adxunto de Podemos Galicia, Borja San Ramón, e o secretario de Organización de Esquerda Unida (EU), entre outros membros convidados de mareas municipalistas, EH Bildu e, mesmo, o BNG. Antón Sánchez iniciou a súa intervención destacando que "o denominador común" entre socios políticos "é moito máis grandes que as diferenzas": "Moitas veces son en como queremos facer as cousas e como queremos lograr os obxectivos que todos compartimos". Nesta liña, chamou a aprender "das mareas municipalistas" para botar a un Partido Popular que "se quitou a careta" e goberna comunidades e concellos "coa ultradereita" de Vox. Neste sentido, vaticinou que Feijóo precisará pactar con este partido "para seguir en San Caetano". Papel protagonista "Non estamos aquí para ser unha forza testemuñal nin tampouco unha forza mais do teatro da representación. (...) Estamos aquí dispostos a derrotalos e para disputarlles as hexemonías nun país que se destrúe institucionalmente", abordou. A modo de exemplo do "desmantelamento do pouco autogoberno" que, segundo as súas palabras, dispón Galicia, Sánchez aludiu á polémica en torno ao peche do paritorio do Hospital de Verín, "unha das decisións máis criminais e de violencia institucional contra a xente" que pretende "acabar co rural". Para "cambiar" esta situación, fixo un chamamento a "sumar a moitos e a moitas" para rematar coa "década neoliberal" de Feijóo á fronte da Xunta e, para iso, fixo súas unhas palabras de Xosé Manuel Beiras, presente entre o público: "Hai que botalos porque corrompen a idea de xustiza, a idea da democracia, porque eles mesmos están manchados de corrupción con sobres de diñeiro negro". |
PRAZA_14377 | O Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e o Igape celebran este martes un evento en Compostela para fortalecer un sector en crecemento. | O Igape e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) organizan este martes unha Lonxa de inversores do sector biotecnolóxico, unha iniciativa que pretende atraer capital interesado en incentivar proxectos do sector biotecnolóxico, con elevado potencial de crecemento. O encontro está dirixido a emprendedores e persoal directivo de empresas biotecnolóxicas galegas interesadas na posta en marcha dun determinado proxecto emprendedor ou conseguir unha consolidación no mercado do mesmo. De igual xeito, diríxese a entidades inversoras, xa que terán a oportunidade de coñecer proxectos biotecnolóxicos de interese para posibles inversións financeiras nos mesmos. A lonxa contará coa participación de 8 grupos de inversión dispostos a impulsar proxectos emprendedores de base biotecnolóxica: UNIRISCO/UNINVEST, XES Galicia, Vigo Activo, La Caixa Capital Risc, Ysios Capital, Addquity, Cross Road Biotech e PrincipiaTech. A Lonxa permitirá ás persoas emprendedoras e ás empresas máis innovadoras do sector biotecnolóxico galego presentar o seu plan de negocio ante un conxunto de inversores baixo o esquema networking Baixo un formato dinámico, na lonxa haberá encontros cara a cara entre emprendedores de proxectos, ligados básicamente ó eido investigador das Universidades e Fundacións galegas e empresas biotecnolóxicas galegas con potenciais inversionistas. A Lonxa permitirá ás persoas emprendedoras e ás empresas máis innovadoras do sector biotecnolóxico galego presentar o seu plan de negocio ante un conxunto de inversores baixo o esquema networking, e de forma complementaria, daranse a coñecer os diferentes produtos e líñas de financiamento para o apoio de proxectos emprendedores biotecnolóxicos e as entidades representantes de produtos de financiamento de capital privado. Programa do encontro |
NOS_46455 | A diferenza do cadro de persoal da radio catalá, o da televisión negouse a aceptar a oferta da compañía. A nova non pasa desapercibida en Galiza, onde a CRTVG está a negociar un novo convenio colectivo con redución de masa salarial. | Os e as traballadoras de Televisió de Catalunya rexeitaron a proposta de novo convenio colectivo realizada pola compañía. Unha oposición a ese acordo que, informan desde Naciodigital, foi claramente maioritaria. Segundo fontes citadas por este medio catalán, no referendo para votar ese acordo tomaron parte o 83 por cento dos e das empregadas da TV3, sendo a porcentaxe de votos contrarios a apoialo do 89%. Desta forma o cadro de persoal da televisión catalá amosa o desacordo frontal coa proposta feita pola empresa, o que contrasta coa posición dos e das traballadoras de Catalunya Ràdio, que si votaron a prol do convenio. A proposta da dirección era unha redución liñal do 7,25% nos salarios da televisión e dun 6% progresivo (e diferentes segundo categorías) na radio. Na primeira proposta da empresa o recorte salarial para a televisión era do 15%. Interese en Galiza Esta noticia chega cando en Galiza estase a negociar un novo convenio colectivo de CRTVG e a empresa a defender minguar a masa salarial (algunhas fontes apuntan recortes neste eido de até 10 puntos no orzamento global da compañía). |
NOS_38990 | Eva Fernández é enfermeira de quirófano no Hospital Universitario da Coruña (CHUAC) con preto de 25 anos de experiencia. En conversa con 'Nós Diario' explica a situación que se está a vivir no CHUAC, onde máis da metade do espazo á quirófanos foi transformado para ser UCI de enfermos da Covid. | Que cuestións teñen en conta desde quirófano á hora de operar un enfermo de Covid? Á hora de operar un enfermo de Covid temos que ter moito máis coidado. O cirurxián non pode operar do mesmo modo que con outro tipo de paciente porque o EPI restrinxe en certa medida as capacidades. Así, nos casos nos que se pode, téntase realizar técnicas máis sinxelas que non deriven en complicacións durante a operación para así non pór nin o paciente nin o persoal en risco. Agora mesmo non nos podemos permitir enfermar porque non hai sanitarios suficientes. Ademais, debemos ter en conta que este virus paraliza seriamente a actividade do hospital porque, se con enfermos non contaxiosos podemos facer entre cinco ou seis operacións durante unha mañá, con casos de pacientes Covid só podemos realizar dúas ou tres, xa que temos que ir máis amodo e ese espazo, ao quedar contaminado, non se poder utilizar con outros pacientes. E non só iso, senón que o resto de patoloxías seguen a existir, haberá moitas máis mortes pola falta de atención que deriva a lentitude de tratar un Covid. "A parálise da sanidade polo virus ocasionará máis mortes non Covid" Mais seguen a realizar operacións... Realizamos as operacións que non poden esperar como, por exemplo, no caso das traumatolóxicas, xa que coas fracturas non tes opción a adiar (hai que estabilizar unha rotura). Tamén realizamos as operacións de vital importancia, como de apendicite ou colecistite. Mais aquelas intervencións que se dean nun paciente Covid e que poidan adiarse, esperarase a que a PCR sexa negativa para intervir. En que casos se dan máis intervencións? A maioría de pacientes que son operados son persoas que sufriron caídas. Durante o temporal Florencia tivemos bastantes roturas de nocellos ou pulsos porque a xente esvaraba nas rúas e, en bastantes casos, deuse que non sabían que tiñan o virus até que se lles fixo unha proba PCR previa á intervención e saíu positiva. A presión ante a Covid é tal que mesmo tratamos de positivos aos que son casos sospeitosos, porque poden dar negativo na proba e comezar a mostrar síntomas cando están en planta. Como se senten os pacientes na unidade? Teñen medo. Os que non están enfermos teñen medo a contaxiarse no hospital e os que son positivos están asustados e tristes. Nós tentamos sempre ser o máis agarimosas posíbeis, pero se me poño no punto de vista dos pacientes, ten que asustar ver un grupo de xente con todo o traxe ao redor dunha. E entre as compañeiras? Pasamos de estar enfadadas pola situación a que a resignación nos puidese e nos inunde a tristeza. Agora o pensamento é "buf, a ver que nos atopamos hoxe!", sabendo que sempre será peor que o día anterior. Antes aínda tentábamos animarnos ou "banalizar" a situación facendo algunha broma entre nós, pero neste momento xa non temos folgos nin físicos nin emocionais. O peor é que vai chegar un punto en que todo o que fagamos non servirá de nada porque as mortes produciranse polo desborde que estamos a sufrir. Saír chorando ao final da xornada é o máis común. Estamos sometidas a unha presión de traballo inmensa e ao chegar á casa tampouco sabes que facer coa familia, porque tes medo a poder contaxialos. Nas súas redes sociais expuña os cambios que se estiveron realizando nos quirófanos do HUAC ante o desborde da UCI. A semana pasada, en pouco máis dun día, transformouse a metade do espazo físico dos quirófanos en UCI para os pacientes Covid. Ao rematar a quenda, quedamos a carrexar material e baleirar salas mentres operarios tiraban liñas eléctricas polo teito e puñan tabiques onde había portas, outros montan respiradores e camas e outras compañeiras facían protocolos de actuacións sinxelos que tentamos compartir entre nós para ir formando a todas as que se poida. A situación é moi complicada e as sanitarias estamos a facer o máximo que podemos por arrimar o ombreiro e aportar. Hai xente que se está a ofrecer a ir fóra da súa quenda para aprender. Pensa que a cidadanía non tivo en conta as restricións nin a situación das sanitarias? Son escéptica coa cidadanía, porque en canto pase o furacán enseguida chegan aos nosos ouvidos que "somos uns privilexiados, temos un traballo seguro que non imos perder..." e nós damos mostras de que o noso é un traballo sacrificado e que nos expomos a un gran risco para poder salvar o máximo número de vidas posíbeis. Se a xente estivera máis concienciada non estariamos na terceira vaga, quixeron "salvar o Nadal" e agora vémonos desbordadas tentando salvar vidas. A xente ten que decatarse que isto non é unha enfermidade que aos dous días de estar no hospital xa che mandan para a casa, os pacientes botan moito tempo nas unidades, ocupando camas que non se liberan e que non deixan espazo para outros enfermos, xa non só de Covid, senón doutras patoloxías como as oncolóxicas, onde dous ou treses meses poden ser cruciais para a súa vida. |
NOS_40010 | Seguen a aumentar os casos activos, os contaxios e a presión hospitalaria. Nos últimos 7 días rexistráronse máis de 7.800 novos infectados. | A terceira onda da Covid entrou de cheo e non dá tregua. Os dados destes días reflicten o que aconteceu nas festas do Nadal, cun alivio das restricións e aumento da interacción social e a mobilidade, que agora se concreta nunha situación preocupante. Os dados desta segunda feira mantéñense na dinámica de comportamento destes días: aumento da presión hospitalaria, suba de casos activos e un ritmo de novos casos rexistrados en 24 horas por riba dos mil. Así, hai na Galiza 13.252 casos activos, o que supón 744 máis ca onte. Hai 635 persoas hospitalizadas en planta, case 80 máis: e 104 na UCI, cando o domingo os ingresos en coidados intensivos non chegaban a 100 (eran 98). A ocupación de camas na UCI por pacientes de coronavirus abeira xa case 40%. O número de persoas falecidas é xa de 1512 após os 9 falecementos da última xornada. E no que atinxe a contaxios, nas últimas 24 horas detectáronse un total de 1.025, dos cales 890 foron a través de PCR. A taxa de positividade está en 11,5%, máid do dobre do que a Organización Mundial da Saúde (OMS) establece como limiar para controlar a pandemia: 5%. A incidencia acumulada continúa a aumentar, tanto a 7 como a 14 días. Nesta última xa é de 475. Máis de 150 concellos galegos superan os 250 casos de incidencia acumulada a 14 días. |
NOS_24731 | Os casos activos de Covid-19 no país baixaron dos 10.000 por primeira vez desde o 12 de xaneiro, até situarse nos 9.289. Ademais, a presión hospitalaria reduciuse a 740 doentes. | Os casos activos de covid-19 na Galiza baixaron dos 10.000 por primeira vez desde o 12 de xaneiro, até situarse nos 9.289. Ademais, a presión hospitalaria reduciuse a 740 pacientes de coronavirus -73 menos nun día-, dos que 163 están en unidades de coidados intensivos -seis menos-. Así se desprende dos datos da pandemia feitos públicos este sábado pola Consellería de Sanidade, con cifras recollidas até as 18 horas de onte, que reflicten que desde o inicio da crise contaxiaronse 110.449 persoas. De todos estes casos, 418 coñecéronse nas últimas 24 horas a través de calquera tipo de probas -309 confirmados cunha PCR-, o que implica un repunte de 66 sobre os rexistrados a xornada anterior. No que respecta á presión hospitalaria, as sete áreas sanitarias galegas experimentaron unha baixada no total de doentes ingresados. A da Coruña-Cee continúa como a que máis ten a pesar de descender en 14 nun día, até os 233, dos que están en críticos 56, tres menos. A área sanitaria de Ferrol mantense por encima do cento de hospitalizados por coronavirus, con 108 en total -seis menos-, 16 deles en UCI -os mesmos-; mentres que a de Santiago-Barbanza sitúase nos 100 -oito menos-, dos que 19 están en coidados intensivos -un menos-. Por detrás está o distrito de Pontevedra-O Salnés, que a pesar de baixar en cinco os ingresados totais, até os 89, na UCI subiron en catro, até os 20. A área sanitaria de Vigo contabiliza nos datos deste sábado 83 hospitalizados con Covid-19 (+8), 19 destes críticos (-1); na de Ourense-Verín-O Barco chegaron até os 68 (-28), dos que oito están en coidados intensivos (-5); e en Lugo-A Mariña-Monforte se sitúan en 59 (-3), 21 deles (igual) na UCI. Menos casos activos Pola súa banda, os casos activos pasaron xa, á baixa, a barreira dos 10.000, e colocáronse nos 9.289 en total, tras caer en 751 nun día. Cos datos deste sábado, a área sanitaria da Coruña-Cee logrou diminuír en 230 casos activos nun día, até situarse nos 3.032 en total. Tamén baixaron en Vigo, até os 1.375 (-77); en Pontevedra-O Salnés, a 1.270 (-58); e en Santiago-Barbanza, a 1.045 (-105). As tres restantes están por baixo do milleiro de enfermos por coronavirus: Ferrol, 953 pacientes activos (-40); Lugo-A Mariña-Monforte, con 901 (-41); e Ourense-Verín-O Barco, con 713 (-130). Contaxios e PCR A pesar dos descensos na presión hospitalaria e na cifra de casos activos, os novos casos detectados en 24 horas por todo tipo de probas repuntaron até os 418, que son 66 máis que os notificados o día anterior. Neste contexto, tan só a área sanitaria de Pontevedra reduciu as infeccións por Covid detectadas, cun total de 52 nun día -sete menos-. O resto notificaron un repunte. A da Coruña sumou 150 novos casos de Covid-19, fronte os 87 do día previo, o que supón unha subida de 63. A de Vigo detectou outros 68 casos (+9); a de Santiago, 50 (+12); a de Lugo, 38 (+4); a de Ferrol, 35 (+1); e a de Ourense, 25 contaxios novos (+2). En canto á taxa de positividade das PCR, volveu ascender por segundo día consecutivo, até 4,4%. Iso si, aínda está por baixo do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia. Por áreas sanitarias, cabe destacar que a de Pontevedra aínda se sitúa moi por enriba deste limiar, no 11,3%, mentres que Ferrol está no 8%. Na de Ourense subiu até o 5,2% e o resto, están por baixo do límite da OMS: Santiago (4,5%), A Coruña (3,4%), Vigo (3,2%) e Lugo (3,2%). Falecidos e Curados Os falecidos desde o inicio da pandemia na Comunidade ascenden a 2.164, tras comunicar Sanidade na noite do venres a morte doutras 10 persoas con Covid-19, das que dúas eran usuarias de residencias de maiores. Até a data curaron de coronavirus un total de 99.013 persoas en toda Galicia, o que se traduce en que 1.158 recibiron o alta nas últimas 24 horas. O cómputo global de infectados desde o inicio da crise sanitaria na Comunidade é de 110.449. Onde máis contaxios houbo é na área da Coruña-Cee, con 26.166 en total, seguida de Vigo (20.788), Santiago-Barbanza (17.705), Ourense-Verín-O Barco (14.424), Pontevedra-O Salnés (12.069), Lugo-A Mariña-Monforte (11.490) e Ferrol (7.807). |
NOS_19144 | O precandidato Pedro Armas renuncia após acusar a Mar Barcón de afiliacións masivas para gañar as primarias mentres que un sector crítico quere que se investiguen os posíbeis casos de enchufismo de Caballero. | Seguen os problemas no PSOE. Reedítanse agora a nivel local, onde o horizonte de primarias para escoller candidat@s aumenta as divisións, que alcanzan niveis de guerra interna nas dúas cidades máis importantes de Galiza: A Coruña e Vigo. Na primeira, Pedro Armas anunciou a súa renuncia a presentarse ás primarias, xa que considera que "as cartas están marcadas" logo de acusar de irregularidades á voceira local do PSOE, Mar Barcón, da que afirma que inflou o censo de afiliación para asegurarse o triunfo. "O aparato actúa con alevosía para controlar o resultado", di Armas, nunha opinión que comparten outros moitos representantes do partido na cidade. En Vigo chégase pedir que se impida que volvan presentarse quen actuara con fórmulas de enchufismo, en clara referencia a Caballero e Silva Pola súa parte, en Vigo -onde as desavenencias dentro do PSOE son históricas- o sector coñecido como Alternativa Socialista, crítico coa xestión do actual alcalde vigués, Abel Caballero, reclamou á dirección autonómica do seu partido que investigue e aclare "as denuncias de enchufismo e corrupción" sobre o Concello olívico e que, en caso de demostrarse que son veraces, adopte medidas como impedir que @s responsábeis formen parte de listas electorais en próximos comicios. Noutras cidades, as imputacións e as leas internas provocan moitas dúbidas sobre a identidade d@s candidat@s do PSOE, que segue sumido nunha fonda crise. |
NOS_35480 | A AGADIC, a SGAE e agora o xulgado. Xoán Carlos Fasero e Antón Reixa volven relacionarse desta volta na vista pola demanda do primeiro por despido improcedente da SGAE cando o segundo era presidente. Fasero acusa a Reixa de mentir e Reixa auséntase da vista oral á que fora convocado. A fiscalía responsabilízao de ocultar información. | Antón Reixa non apareceu nos xulgado número 2 de Ourense onde fora citado para declarar na causa da demanda de Fasero por despido nulo e improcedente. Era o terceiro episodio dunha historia que comeza cunha subvención de 142.000 euros pola Axencia Galega de Industrias Culturais da Consellería de Cultura dirixida por Fasero á un espectáculo da empresa de Antón Reixa e continúa co nomeamento de Fasero como delegado da zona noroeste da SGAE, só uns días despois de deixar a AGADIC, cun Reixa recén escollido presidente. En novembro de 2012 entraba Fasero como representante dunha entidade que apenas medio ano despois xa se tiña librado de un e outro. Sen embargo, Xoán Carlos Fasero non ía ficar calado co despedimento e pouco despois de saír da entidade facía pública a presentación dunha demanda de nulidade cun argumentario que deu a coñecer a través do seu blog no que verquía diferentes acusacións contra Reixa. A SGAE tiña acusado ao representante do noroeste de ter ocultado información, en concreto, a subvención concedida á empresa de Reixa. Fasero rexeita a acusación e, antes ben, bota pedras contra o tellado de quen o nomeou na SGAE ao afirmar que é Reixa quen tería que ter informado á SGAE dos cartos recibidos polo organismo público. Desde a fiscalía consideran que Reixa tiña obriga de informar polo tanto faino responsábel do ocultamento de información. Fasero volve á música, a Xunta cala Xoán Carlos Fasero entregou no xulgado correos e documentación na que tenta defender a súa posición e, entre outras cousas, argumenta que Reixa participou persoalmente na súa selección mais el non na decisión de outorgarlle axuda pública ao espectáculo da produtora de Reixa. No cronograma dos feitos aportado por Fasero, explica que a AGADIC decidira contar con el para representante da zona noroeste antes de ter sido concedido o subsidio a "Galicia Caníval". En menos dun ano, Fasero abandonou a AGADIC, foi despedido da SGAE e regresou á composición, como anunciou nas redes sociais ao afirmar que ten a punto un novo disco. A Xunta, responsábel da xestión de AGADIC, non se posicionou en todo este tempo da subvención concedida polo que fora o director da Axencia á produtora de quen o nomearía para a Sociedade General de Autores e Editores. |
PRAZA_6292 | Este venres celébrase na Estrada, a xeito de romaría, o I Día das Galegas nas Letras, organizado pola plataforma de crítica literaria A Sega e dedicado a Dorothé Schubarth, compiladora do Cancioneiro Popular Galego | Este venres 15 de agosto unha romaría celebrará na Estrada o I Día das Galegas nas Letras, organizado pola plataforma de crítica literaria A Sega e dedicado a Dorothé Schubarth, compiladora do Cancioneiro Popular Galego. A festa terá lugar no Areal de Berres, "un espazo recuperado para a comunidade pola veciñanza", á beira do río Ulla (podedes consultar nesta ligazón como chegar ao lugar dende Compostela). Dende A Sega destácase que o obxectivo é que "a homenaxe a Dorothé sexa unha festa, unha romaría na que nos xuntemos, falemos, contemos e cantemos todas as persoas que queiramos saudar a dignidade da literatura de tradición oral e o labor silenciado de todas as cantadoras que lograron manter vivo até hoxe o acervo musical que nos alimenta". Os actos comezarán ás 13.30 coa lectura do manifesto redactado para a celebración, titulado Aturuxo por Dolores Schubarth, para seguir cun xantar compartido, e a partir das 16 horas unha tarde de festa, coas intervencións de Paula Carballeira (contadora), Mercedes Peón (cantadora), Isabel Rei (guitarrista) e Habelas Hainas (pandeireteiras), ademais dun micro aberto "para todas aquelas persoas que queiran cantar, tocar ou contar". A actividade está aínda pendente de novas incorporacións. "Vimos dunha estirpe de mulleres que crearon textos para cantalos, que compuxeron música de palabras. Elas, que foron feitas silencio polo peso dunha tradición patriarcal que ditamina para eles os nomes e para elas o anonimato do colectivo" No Manifesto a plataforma de crítica literaria subliña que "vimos dunha estirpe de mulleres que crearon textos para cantalos, que compuxeron música de palabras. Elas, que foron feitas silencio polo peso dunha tradición patriarcal que ditamina para eles os nomes e para elas o anonimato do "colectivo". Ata que chegou ela. A primeira que ousou poñer os nosos nomes a cada unha das composicións". Conclúen que "quen hoxe escribimos debémoslles ter o noso nome propio, a nosa voz inscrita mesmo nas marxes da literatura a aquelas que cantaron antes. A aquelas que construíron o maior acervo literario de lingua galega: a lírica popular. Se nós temos voz é porque houbo quen foi quen de conservala e aínda máis importante, quen foi quen de recoñecela como de nosoutras, lonxe deses discursos da comunidade nos que as mulleres ficamos invisibles. Ese foi o traballo de Dorothè Schubarth que hoxe celebramos, vindicamos e recoñecemos". Dorothé Schubarth Levou a cabo un traballo que non só recuperou e organizou un número moi importante de composicións populares, senón que lle outorgou recoñecemento ás súas autoras e transmisoras Esta é a primeira vez que se celebra este Día das Galegas nas Letras, unha conmemoración que busca celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular. E nesta ocasión celebra Dorothè Schubarth, que levou a cabo un traballo que non só recuperou e organizou un número moi importante de composicións populares, senón que lle outorgou recoñecemento ás súas autoras e transmisoras. Dorothé Schubarth naceu en Basilea (Suíza) onde realizou estudos musicais, ampliados en Colonia e Múnich. Dende 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna. Dende este lugar desenvolveu uma intensa tarefa de pesquisa da música popular europea, dando especial atención á zona dos Balcáns e do Cáucaso, así como aos cancioneiros de Alemaña e Francia. En 1978 chegou a Galicia durante as súas vacacións, coa intención de coñecer a nosa música popular. A que ía ser unha breve estadía de descanso, deveu en anos de pesquisas, viaxes, entrevistas con informantes e centos de gravacións perfectamente conservadas. En 1984, despois dun intenso traballo de recollida, da análise, clasificación e estudo dese material, foi publicado o Cancioneiro Popular Galego, en sete volumes, unha edición patrocinada pola Fundación Barrié. Hoxe en dia, esta obra é considerada a biblia da lírica de tradición oral galega, o mais amplo repertorio musical popular. Os musicólogos que até aquel momento fixeran estudos sobre a música popular, ficaran na superficie do traballo, realizando compilacións de cantigas. Pola contra, Schubart levou a cabo unha análise en profundidade das melodías, achegando uma proposta crítica de clasificación e propondo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos. Ademais, foi a primeira que recoñeceu a importancia das informantes, sendo a primeira pesquisadora culta que recolleu os seus nomes. No Arquivo Sonoro de Galicia están conservados os 248 CD -copias dixitalizadas das gravacións orixinais- coas correspondentes transcricións. |
NOS_2549 | Crónica dunha saída ornitolóxica. | Hai un ano falabamos da oportunidade que nestas datas ofrecen as árbores espidas do bosque de ribeira para que as plantas saquen a flor ao recibir os apreciados raios do sol. A súa nudez presenta a mesma posibilidade para a observación de aves. Ademais, pasada xa a candeloria e casados os paxariños, énchese a natureza de chíos e rechouchíos que facilitan a súa detección. Para tal propósito, achegarémonos até o río Anllóns, no concello de Carballo, a percorrer o paseo fluvial que vai desde o muíño do Quinto até a Ponte de Bértoa, ruta lineal de 3.650 metros que cruza o casco urbano da capital bergantiñá. Pode semellar contraditorio aconsellar unha saída que atravesa unha vila para gozar das aves. Ten o seu sentido que os paseos fluviais que pasan por núcleos habitados -e que milleiros de persoas empregan para correr, camiñar ou facer exercicio- as aves estean afeitas á presenza dos humanos. Convértense así en espazos ideais para achegarse á avifauna, nomeadamente ás aves máis comúns. A suxestión podería facerse extensíbel ao paseo do río Rato en Lugo, ao Sarela en Compostela ou o río Lagares en Vigo, en definitiva, calquera río urbano con árbores na súa beira. O Anllóns O río Anllóns vertebra a comarca de Bergantiños, nace na serra de Montemaior e logo de 55 quilómetros deita as súas augas ao mar, entre Ponteceso e Cabana, no esteiro do Anllóns. As marxes do río foron recuperadas polo concello de Carballo para o paseo e o lecer da veciñanza e visitantes. Imos centrarnos aquí nos paxaros da senda pero para quen queira completar a información sobre o Anllóns, recomendamos o libro do Instituto Estudos Bergantiñáns (IEB), publicado coa axuda dos Concellos de Carballo, Coristanco, A Laracha e Ponteceso, titulado O río Anllóns, arteria principal de Bergantiños. Crónica dunha saída paxareira Propoñemos comezar a ruta desde o Muíño do Quinto deixando o coche no aparcadoiro da estación de autobuses de Carballo. Desde alí achegarse até o inicio do paseo e camiñar augas arriba. Tamén, se pode ser, recomendamos facela de mañá, xa que nas primeiras horas do día os paxaros están máis activos e cantareiros e os seus chíos escóitanse mellor no silencio do frío matinal. Desde o minuto cero, no tempo dedicado a facer exercicios de estiramento, xa temos o primeiro contacto auditivo coa fauna alada. No alto dun ameneiro un ave emite unha variada melodía, canto interrompido polas voces de dúas rapazas que pasan correndo e falando alto. Unha vez desaparece o barullo das humanas seguimos prestando atención á banda sonora do Anllóns. É o momento de sacar os prismáticos da mochila e deixarse guiar polos chíos. Confirmamos que o paxaro cantareiro é un tordo, ave cun canto variado e melodioso. Aves acuáticas Uns metros máis adiante, onde o Anllóns fai un par de revoltas, aparece unha parella de lavanco real, o noso parrulo salvaxe máis común. Ao parar de camiñar agochan entre os salgueiros, pero ao non advertir perigo saen de novo, momento ideal para observar as diferenzas entre o macho e a femia. A plumaxe rechamante del, cabeza verde e colar branco, contrasta coa discreta vestimenta parda dela, cores crípticas fundamentais para permanecer queda e camuflarse mentres chocan os ovos. Os recantos que se apartan da senda ofrecen á fauna un lugar idóneo para descansar e alimentarse, cousa que debemos aproveitar. Paramos e permanecemos inmóbiles ao pé dun amieiro. O método de observación funciona e unha garza real, que igual asustaron as rapazas que corrían río arriba, cae do ceo e pousa perto de nós e tirámoslle unhas fotos. A vila Sentimos que o barullo aumenta, estámonos achegando á vila de Carballo, e as voces da xente comezan a calar ás da natureza. Lugar ideal para as aves máis urbanas, pegas, curroxos, pombos e mesmo andoriñas dos penedos serán as protagonistas. Cara ao bosque de Añón Deixamos atrás a vila e recuperamos a senda de terra ao pé do Anllóns, e ao pouco nun carballo cheo de hedras sentimos barullo de aves. Paramos a certa distancia pero tres ciclistas pasan baixo a árbore e asustan uns dez paxaros que saen voando mentres outros tantos paran e miran cara a nós, cavilando que facer. Aquí cambian as tornas, son os paxaros quen observan e analizan a situación tentando adiviñar as nosas intencións. Tras dun longo minuto parecen acordar que non supomos perigo ningún e continúan ao seu, papar. Merlos, e tamén tordos, dan boa conta das sementes das hedras, a súa despensa de alimento para superar o duro inverno. Paxaros acróbatas Avanzamos e chegamos ao bosque do Añón. Novamente barullo de multitude de chíos no alto dos ameneiros. Observamos un úbalo, logo dous, catro, dezaseis e estimamos que serán uns cincuenta. Falamos duns paxariños acróbatas, que para acceder ás sementes dos bidueiros e ameneiros, cólganse boca abaixo facendo mil e un equilibrios. Vén a fame ao ver os pequenos funámbulos comer con tanta cobiza e sentamos nun dos bancos que están á beira do río para tomar un aperitivo que axude a repor forzas. Á nosa fronte, nuns campos que nalgún momento tiveron millo plantado e no que agora hai herbas altas sentimos un bando uns verderolos, frinxílidos que se alimentan de sementes, pero imposíbel miralos entre a vexetación. Pasa unha parella cun can, que se achega a cheirar que comemos por se algo lle cae, pero non recibe nada e métese na finca levantando o bando de paxaros que se acubillan nuns bidueiros. Grazas ao chucho podemos contalos, nove verderolos e polo menos tres xílgaros que non escoitaramos. Desaparece o perigo e novamente baixan ao chan. Miramos xa, ao lonxe, a ponte de Bértoa perto da que dous picafollas tentan cazar no aire diminutos insectos. Rematada a ruta desandamos o camiño, e como é domingo vai sendo hora de ir á feira tomarlle unha tapa e mercar uns calcetíns de lá que moito prestan nestas mañás de paxareo á beira do río. |
NOS_8295 | O proxecto dunha plataforma dixital para a venda e o alugueiro de inmóbeis no rural presentada pola Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda como solución ao abandono do rural está a levantar críticas desde as organizacións agrarias. Na Federación Rural Galega (Fruga) cren que fomentará a especulación e no Sindicato Labrego que faltan servizos. | O anuncio do lanzamento dunha plataforma dixital que facilite a venda ou o alugueiro de inmóbeis situados en zonas rurais por parte da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, como unha medida para combater o despoboamento e reactivar o rural abandonado, recibiu numerosas críticas das organizacións agrarias. O Goberno galego implicou na difusión do proxecto á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), ao Colexio Oficial de Administradores de Fincas da Galiza e ao Colexio de Axentes da Propiedade Inmobiliaria da Coruña, cos que acaba de asinar un convenio de colaboración e abriu o portal coas primeiras incorporacións situadas no concello de Sober, onde realizou a súa presentación. Especulación no rural Manuel da Cal, coordinador da Fruga, rexeita esta proposta e opina en declaracións a Nós Diario que a Xunta "está empeñada en vender o país a cachos e facilitar a entrada da especulación inmobiliaria". Desde esta organización nacionalista pensan que a idea é "unha medida de propaganda" que quedaría encadrada "dentro da estratexia neoliberal do PP, xunto coa lei de recuperación da terra agraria, a primeira revisión do plan forestal da Galiza e a lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica da Galiza". Da Cal considera que o Goberno galego debería "buscar saídas produtivas, alternativas comercializadoras e de produción que axudarían a revitalizar o rural". Neste sentido, para a Fruga o futuro do rural galego pasa por "potenciar as súas capacidades e posibilidades acompañado do feche dos ciclos produtivos, coa creación das correspondentes industrias de transformación" como veñen reivindicando en numerosas ocasións. A idea da especulación nas vivendas, para esta organización, iría máis alá e sumaríase á "da que se está a facer coa declaración de terras en abandono que facilitará a implantación de calquera tipo de proxectos, en prexuízo das maiorías sociais". Neste sentido Da Cal alerta de que en poucos anos "viviremos unha situación na que quedarán moitas fincas en todo o territorio abandonadas que pasarán a engordar esta especulación". Carmela Lavandeira, vicepresidenta dos Administradores de Fincas, explica a Nós Diario que a plataforma era unha medida que solicitaran "para facilitar o acceso ao rural onde a vivenda é moito máis económica" e en ningún caso considera "que haxa especulación, máis ben a posibilidade de que se dea saída aos inmóbeis abandonados por parte de propietarias e propietarios que non os empregan". Estudar as causas do abandono do rural Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), propón que para tratar o abandono do rural galego "primeiro hai que recoñecer as súas causas". Ao seu entender a primeira delas sería "a falta de actividades que xeren posibilidades de emprego en determinadas comarcas" xunto a unha "redución importante de servizos". Para Vilalba "a Xunta ten a responsabilidade de que se xere emprego e que se continúe a vivir neses lugares ao tempo de manter eses servizos" polo que esta plataforma "quere desviar a atención" sobre o que acontece. Denuncia que "non só non hai programas para incentivar que as persoas creen riqueza nestas zonas senón que poñen dificultades burocráticas permanentes a quen o intenta". Explica a Nós Diario que non acontece o mesmo "con determinadas grandes empresas" que teñen "máis facilidades na actualidade" para instalarse. Para esta organización sería "unha equivocación" que estas vivendas pasasen a ser segundas residencias no rural. "Terán que contar con servizos e infraestruturas mais non contarán cos habitantes para manter vivo o rural". |
PRAZA_8760 | Os periodismo reivindica o Día Mundial da Liberdade de Prensa advertindo da súa precaria situación laboral e dunha crise que "aviva a necesidade dos políticos para levantar barreiras no acceso á información". | Outro Día Mundial da Liberdade de Prensa e outra xornada reivindicativa que volve evidenciar a precaria situación do xornalismo -con altas taxas de paro e despidos continuos-, así como as presións, represalias, ameazas e incluso violencia (cada semana morre un profesional da información no mundo) que sofren os periodistas de todo o mundo. Tamén no Estado e en Galicia, onde este venres se celebraron varias concentracións de traballadores que volveron lembrar que "sen xornalistas non hai xornalismo" e que "sen xornalismo non hai democracia". Case 5.000 postos de traballo de periodistas se destruíron no conxunto do Estado no pasado 2012, continuando cunha xeira que vén de lonxe. A FAPE censura o "atallo do silencio" escollido polos políticos que intentan evitar a prensa ou que fan roldas sen preguntas A Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE), na que se inclúen varias agrupacións galegas, censurou este ano as súas críticas nos políticos que collen "o atallo do silencio" para evitar a prensa e non ter que sufrir as críticas polas súas comparecencias sen preguntas (ou a través dunha pantalla de televisión), outra das eivas que os xornalistas denuncian desde hai anos. "Os políticos buscaron o atallo do silencia para vetar o dereito á palabra e á pregunta e furtar o cidadán a resposta aos graves problemas que sofren", lembra. "Os xornalistas están atopando serios atrancos no exercicio da súa profesión por parte dos representantes públicos, como se a crise avivara neles a necesidade de levantar barreiras, xusto nunha época na que a xente aspira a non ter ningunha para acceder á información", insiste a FAPE, que denuncia o aumento das "presións" cara aos medios e os periodistas que "investigan os abusos de poder, especialmente os ligados á corrupción". Os xornalistas denuncian a reforma lexislativa que pon "serios límites aos dereitos de información e liberdade de expresión" Ademais, censuran a reforma da Lei de Enxuizamento Criminal promovida polo ministro Gallardón e que presenta "serios límtes aos dereitos de información e liberdade de expresión". "Na nosa decidida aposta pola autorregulación, opoñerémonos a calquera proxecto do Goberno que trate de impoñer límites aos dereitos de información e á liberdade de expresión", di a FAPE, que tamén chama aos xornalistas para que exerzan a súa profesión "con responsabilidade, verificando as fontes e fuxindo do xornalismo de mercadoría barata". Por suposto, reclaman "condicións dignas de traballo e de igualdade salarial entre homes e mulleres", ademais de reforzar a campaña Gratis non traballo contra empresarios e editores que "explotan os xornalistas con salarios humillantes ou sen remuneración ningunha", tal e como se pode comprobar acotío nas ofertas de traballo que aparecen en España e Galicia. Do mesmo xeito, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) fixo público un manifesto elaborado polo seu ex decano, Xosé María García Palmeiro, que destaca que o lema escollido pola ONU e a Unesco para este ano -Falar sen risco. Polo exercicio seguro da liberdade de expresión en todos os medios- é "revelador de que algo vai mal". "Imos atrasados na defensa destes dereitos fundamentais -conquistas esforzadas e non concesións graciosas- sempre sometidos, condicionados e ameazados, aínda nos espazos máis formalmente garantistas", continúa, tras advertir do "longo e ben adverso camiño" que se vive nunha profesión "imprescindible". "Un camiño rodeado por unha incompleta cobertura legal e sacudido por unha crise económica que tampouco non deixa de servir como pretexto para agravar ata límites case insoportables a precariedade realmente existente tamén nos anos de bonanza", asegura. "Na era da aparente opulencia informativa, os efectos e a xestión da crise ameazan as conquistas sociais e especialmente a liberdade de expresión", denuncia o CPXG "Na era da aparente opulencia informativa, do desenvolvemento do Cuarto Medio e da multiplicación das redes sociais, os efectos e a xestión da crise económica ameazan de facto o desenvolvemento de conquistas sociais en forma de dereitos e liberdades e, de xeito moi directo, a liberdade de expresión", di o CPXG, que advirte do "impacto do paro que non cesa e cun horizonte de inestabilidade e incertezas, do que derivan preocupantes efectos paralizadores". "Todo fará falta desde os compromisos individuais e colectivos libre e responsablemente asumidos, e coa imprescindible tutela dos poderes públicos, para garantir o exercicio seguro da liberdade de expresión en todos os medios", continúa, tras pedir que se garantan "aceptables e dignas condicións de traballo necesarias para a independencia de xornalistas e medios", manifesta. "Teño a certeza de que eses xornalistas, consciente, responsable e libremente, han contribuír a corrixir, sequera en parte, tan negativo estado de cousas. Han ser capaces de facer que as cousas poidan ir un pouco menos mal", remata confiado. |
NOS_14829 | Os líderes dos sindicatos españois mantiveron un encontro na Moncloa que cualificaron de "sincero e construtivo" | A secretaria xeral da Confederación Europea de Sindicatos (CES), Bernadette Ségol, e os secretarios xerais de UGT, CC.OO. e USO, Cándido Méndez, Ignacio Fernández Toxo e Julio Salazar, respectivamente, pediron esta segunda feira "valor político" ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, para abordar no próximo Cumio Europeo un plan que estimule o crecemento económico e o emprego após constataren o "fracaso" das políticas de austeridade. Os dirixentes dos sindicatos españois fixeron esta petición durante a reunión que mantiveron na Moncloa xunto ao presidente do Goberno central, Mariano Rajoy e a súa ministra de Emprego, Fátima Báñez. Os líderes das centrais dixeron partillar con Rajoy "a súa preocupación por que, si isto continuar así, o Parlamento Europeo pode ir cambiando a súa composición e incorporando partidos con posicións anti-europeístas". Ademais, Toxo e Méndez definiron o encontro como un "intercambio sincero e construtivo", do mesmo xeito que a ministra de Emprego subliñou que o Goberno do PP insistirá nas institucións de Bruxelas na "unión bancaria, o financiamento das pemes e os 6.000 millóns de euros comprometidos para combater o paro xuvenil". Malia a intención manifestada polo sindicalismo combativo, por exemplo pola CIG en Galiza, de convocar unha nova folga xeral contra a política de recortes, os sindicatos españois parecen estar moi lonxe desas posicións e amosáronse na Moncloa moi cómodos coa estratexia de pacto co PP, semellante á postura tomada polo PSOE de Pérez Rubalcaba. |
PRAZA_65 | Cómpre entendermos o multiculturalismo no contexto dunha ética civil e dunha legalidade democrática. Esenciais a esta legalidade son a igualdade dos homes e mulleres, a educación obrigatoria de todos, as liberdades relixiosa e de expresión ou a prohibición da poligamia. Nese marco de mínimos, o multiculturalismo é esencial á Europa de hoxe. E funciona | Vaclav Havel, intelectual, líder do Foro Cívico e logo Presidente da República checa, acreditaba que os medios para loitar contra o totalitarismo checoslovaco non podían ser os mesmos empregados por este. "Nós non somos coma eles", afirmaba Havel. E de certo non podemos selo. Porque se os terríbeis crimes de Paris van servir, como defenden o Front National e algúns sectores da dereita española, para limitar as liberdades, pechar as fronteiras, prohibir a inmigración e outorgar carta branca á demolición do sistema europeo de garantías democráticas é seguro que non resolvemos o problema e que eles gañan. Porque a agresión do yihadismo diríxese nomeadamente contra a liberdade de expresión e contra a convivencia plural democrática. Cómpre mellorar os medios materiais, unificar as políticas de defensa e diplomática na Unión Europea, creando un auténtico Exército e servizo de información europeos e coordinar os sistemas de información policial Evidentemente Europa non pode enfrontar este repto dun xeito inerte. Cómpre mellorar os medios materiais, unificar as políticas de defensa e diplomática na Unión Europea, creando un auténtico Exército e servizo de información europeos e coordinar os sistemas de información policial. O terrorismo yihadista é unha ameaza real que require dunha resposta coordinada e eficaz. Mais sen se mover un chisco do sistema de garantías democráticas. Sen Guantánamos. Porque Europa non executa xornalistas nin pode torturar nin arrestar arbitrariamente. Non somos coma eles. Cara á cidadanía europea compre unha pedagoxía de respecto á diferenza. O islamismo e o sionismo son ideoloxías da agresión, mais o Islam e o xudaísmo son civilizacións que achegaron elementos fundamentais para entendermos o noso mundo. O islamismo é moi minoritario no conxunto do Islam. Cómpre entendermos o multiculturalismo no contexto dunha ética civil e dunha legalidade democrática. Esenciais a esta legalidade son a igualdade dos homes e mulleres, a educación obrigatoria de todos, as liberdades relixiosa e de expresión E, tamén, cómpre entendermos o multiculturalismo no contexto dunha ética civil e dunha legalidade democrática. Esenciais a esta legalidade son a igualdade dos homes e mulleres, a educación obrigatoria de todos, as liberdades relixiosa e de expresión ou a prohibición da poligamia. Nese marco de mínimos, o multiculturalismo é esencial á Europa de hoxe. E funciona. Un dos policías asasinados era un musulmán francés de orixe alxerina que protexía aos xornalistas do Charlie Hebdo e outro musulmán francés de orixe subsahariana foi quen salvou aos xudeus na tenda kosher atacada polo terror yihadista. |
PRAZA_7986 | Manu Chao estará no Festival Reperkusión 2013, que se celebrará na Cidade dos Muchachos de Bemposta (Ourense) os días 10, 11 e 12 de maio. | Manu Chao estará no Festival Reperkusión 2013, que se celebrará na Cidade dos Muchachos de Bemposta (Ourense) os días 10, 11 e 12 de maio. Será o cabeza de cartel da xornada do sábado, na que tamén tocarán os ucraínos Haydamaky, os galegos Banda Fura Fura e o humorista Quequé. Tamén se confirma a presenza dos serbios Shazalakazoo, que subsitúen a Slamboree e acompañarán a Fermin Muguruza na xornada do venres. O festival cumpre coa tradición de contar na programación con algún dos artistas que máis destacaron na edición anterior: neste caso será Manu Chao, que en 2012 ofreceu dous concertos no festival. Manu Chao di que se sente como en casa no Reperkusión e en Bemposta. A súa simpatía polo festival e o seu ánimo de apoiar o proxecto de recuperación da Cidade dos Muchachos para uso social e cultural lévano a regresar este ano. O cartel provisional por días é o seguinte. Venres 10 de maio: Fermin Muguruza, Kontrakantxa e Shazalakazoo. Sábado 11 de maio: Manu Chao La Ventura, Haydamaky, Banda Fura Fura e Quequé. As entradas e os abonos para a 11ª edición do festival están á venda na súa web e a partir deste mércores tamén en puntos de venda en toda Galicia. Neste momento hai aínda dispoñibles uns 500 abonos na oferta especial para os tres días con acampada incluída a un prezo de 25 € + gastos de xestión. Poderán adquirirse ata o 15 de marzo. As entradas para un día poden mercarse por 20 € + gastos de xestión. |
PRAZA_8080 | Ánxela Lagoa, unha das voceiras da Marcha Mundial das Mulleres, censura o "retroceso brutal" que a recesión económica supón para a igualdade de xénero nun país onde "se erguen de novo os vellos muros" contra elas. | "A débeda dos gobernos é coas mulleres, non coa banca". Este é o lema elixido pola Marcha Mundial das Mulleres para un novo 8 de marzo, o deste venres, no que desde Galicia volven reivindicar "ser libres" nun mundo e nun país no que a discriminación de xénero segue presente. E se cadra de xeito máis duro nestes tempos nos que "se erguen de novo os vellos muros pero con outros nomes: crise, recortes, paro, peche de servizos sociais, economía submerxida, violencia de xénero...". Así o denuncia a Marcha Mundial no seu manifesto con motivo dun Día Internacional da Muller no que censurarán os "brutais retrocesos" sufridos na igualdade por mor da crise e das políticas dos gobernos neoliberais e da austeridade. "Hai moitas medidas criticables e duras, pero abonda con escoitar algunhas das ousadías que se atreven a dicir cargos públicos ou a propia Igrexa para decatarnos de que estamos retrocedendo séculos atrás", asegura Ánxela Lagoa, unha das voceiras do colectivo. "Abonda con escoitar algunhas declaracións de cargos públicos para decatarnos de que estamos a retroceder séculos" "O ministro Gallardón, dirixentes da Igrexa, Castelao Bragaña...", lembra Lagoa, que se pregunta "como alguén se pode atrever a dicir que a maternidade é o que fai ás mulleres verdadeiras mulleres, que as leis están para violalas como as mulleres ou de culpar o xénero feminino do fracaso escolar ou do desemprego por non quedar na casa como antes". Todo iso foi dito por cargos institucionais. "Queren volver á familia tradicional e a modelos pasados", insiste a portavoz da Marcha Mundial, que aclara, no entanto, que as palabras tamén se acaban convertendo en feitos. "As taxas da Xustiza, os recortes en educación, sanidade ou dependencia... Todas esas medidas aféctannos como traballadoras, porque moitos son sectores onde maioritariamente traballamos nós e onde se destrúe emprego, pero tamén como mulleres porque a falta de prazas públicas en colexios, garderías, hospitais ou servizos públicos difícultanos as condicións de vida", engade Ánxela Lagoa, que lembra que "a ausencia de prazas para os seus maiores ou os seus nenos" obriga a moitas mulleres a volver á casa. Os axustes ao servizo da ideoloxías. "Xa tiñamos empregos máis precarios e agora auméntase esta precariedade e somos as primeiras afectadas polos despidos" "É un retroceso brutal para o pobo e para as mulleres; non é unha ditadura, pero eles teñen a maioría e deciden como se tivesen o favor de toda a cidadanía", asegura Ánxela Lagoa, que recorda que "todas as crises económicas atacan máis as mulleres". "Xa tiñamos empregos máis precarios e agora auméntase esta precariedade e somos as primeiras afectadas polos despidos", insiste, tras lembrar tamén que, por exemplo, os principais afectados por desafiuzamentos son tamén do xénero feminino. "A busca do benestar non existe; os gobernos rescatan e axudan os bancos, mentres os bancos enganan os aforradores", critica Ánxela Lagoa, que pon ese exemplo como paradigma das prioridades que os poderes públicos acaban marcando mentres reducen recursos na loita polo ben común ou a igualdade de xénero. Tamén nos xestos. "Desde hai tempo, cada vez que unha muller sufría un asasinato machista, pintabamos unha silueta no chan cos seus datos en recordo da afectada e como símbolo, pero o Concello de Ferrol decidiu prohibírnolo", explica a voceira da Marcha Mundial, que destaca que foi a concelleira de Igualdade a que ordenou o veto a esta lembranza. "Non gobernan para as persoas e crense por riba do ben e do mal", sentencia. "Houbo avances, pero seguimos aturando actitudes machistas en moitas organizacións, incluídos partidos políticos ou sindicatos" Para Ánxela Lagoa, os avances en igualdade "aínda son poucos" desde a Administración, sobre todo desde o estoupido da crise e a chegada da dereita, pero cre tamén que aínda queda moito por facer en diversas organizacións, pasando polos partidos políticos, os sindicatos e por suposto as empresas. "É certo que nas formacións políticas hai moitas mulleres, colectivos feministas e secretarías da muller, pero seguimos téndoo complicado e tendo que aturar actitudes aínda machistas; hai que seguir pelexando porque segue a costar facer cambios", conta. En canto ao mundo empresarial, Lagoa considera que "os empresarios e as empresarias galegas son moi tradicionais" e nas súas firmas segue primando a discrminacións, "aínda que en moitas casos non sintan que o están a facer". A crise, ademais, impide que moitas denuncias cheguen a bo porto. "O medo a quedar sen traballo provoca que cada vez as mulleres reclamen menos os seus dereitos", conclúe. |
NOS_20660 | Os equipos negociadores das FARC e goberno colombiano atinxiron un acordo sobre o punto relatibo ao fin do conflito armado. | As Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC) e o goberno colombiano informaron a través dun comunicado que atinxiran "con éxito" un acordo para o cesamento do fogo e as hostilidades, "bilateral e definitivo". Acordo que abrangue aspectos realtivos á deixación de armas ou garantías "de seguridade e loita" contra responsábeis de masacres, entre outras cuestións. O acordo dase a coñecer na Habana, escenario que acolle os diálogos de paz, que comezaron oficialmente en 2012 en Oslo (Noruega), nun acto no que para alén dos representantes das FARC e o goberno estarán os dos países garantes: Cuba e Noruega.. Tamén o secreatario xeral da ONU asiste á escenificación dun acordo que pon fin a máis de medio século de guerra en Colombia. |
NOS_12926 | O franquismo depurou máis de dúas mil mestras e mestres republicanos nos concellos coruñeses e castigou unha cuarta parte deles. Foron expulsados, trasladadas ou suspendidos durante meses ou anos. Todo o corpo docente sufriu un proceso que empezou no 36 e continuou nos anos corenta. Unha tese doutoral explica o proceso de destrución da escola para instaurar un modelo "que educará as novas xeracións no tradicionalismo e no autoritarismo". Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 272. | "Primeiro foron polos cargos políticos, sindicais e militares. Despois tiñan que ser as mestras e mestres. Tiñan que ir pola escola porque alí crecen as plantas e crecerían xa no seu rego e sas. O máis urxente é sempre o primeiro nivel do sistema educativo… a represión do franquismo contra a súa propia poboación, segundo as persoas expertas que a analizaron, foi peor que a de Hitler ou Mussolini. No 39 rematou a guerra das armas, pero até 1975 continuou a represión para espallar o medo", conta Jesús Manuel García Díaz (Petín de Valdeorras, 1966), xornalista e historiador, que vén de presentar unha tese doutoral pioneira na Galiza dirixida polo profesor Julio Prada na Universidade de Vigo, a primeira sobre a depuración no ensino nos concellos coruñeses polas forzas golpistas de 1936, un traballo profuso sobre o proceso de eliminación da escola republicana que presenta os casos de máis de 2 mil mestras e mestres que foron investigados nos concellos coruñeses e debulla a represión a través dunha base con máis de 200 mil datos tirados dos expedientes, recursos e ditames das instancias que creou o novo Estado para impoñer un ensino "tradicional, católico e patriótico". "A Igrexa e o Exército eran as dúas grandes institucións do Estado e aos bispos non lles foi difícil identificar o núcleo do discurso militar co seu propio discurso", explica García Díaz. "Decídese que a educación debe inculcar un forte espírito nacional mediante unha disciplina rigorosa e unha estrita moral católica nas aulas. Entón necesitan un profesorado que penetre 'en los ricos y fecundos filones de la hispanidad, estudiando a fondo el alma de España', e de inmediato empezan a depurar o corpo de docentes". [Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 272, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_7038 | Astérix, Idéfix e Obélix viaxan ás terras dos bárbaros, nos confíns do imperio romano. | Astérix e o grifón é a quinta entrega desta etapa das aventuras dos afoutos galos na que xa non están ningún dos dous creadores do personaxe. Desta volta Astérix e os seus inseparábeis amigos, Idéfix e Obélix, viaxan ás terras dos bárbaros, nos confíns do imperio romano. Concretamente van axudar á tribo dos Sármatas na súa loita contra a expedición enviada por Xulio César a capturar o grifón, un animal mitolóxico que o César quere para si. No aspecto formal e no campo gráfico a calidade do traballo é francamente excepcional. A liña continuista nos deseños e mesmo noutros elementos como a cor e a distribución das viñetas na páxina fan que só un experto poda distinguir claramente as páxinas de Uderzo das de Conrad. Mais na beira do guión é onde atopamos os problemas, de certo que substituír un guionista da importancia de Goscinny non é doado, mesmo así se demostrou nos álbums nos que Uderzo estivo a cargo da serie como autor completo, que foi, con apenas un par de excepcións, moi decepcionante e até obscenamente mala na parte final. O lanzamento de cada nova aventura de Astérix e Obélix é un fenómeno editorial mais xa un segredo a voces, os guións dos novos Astérix son bastante mediocres Neste son quen de facturar un álbum correcto, entretido e que amosa algúns momentos certamente bos. Recuperan os xogos de palabras como elemento de humor e fano con máis acerto que até o de agora, sen embargo, non podemos obviar a irregularidade como a característica máis definitoria deste álbum. Con todo, penso que este é, sen dúbida, o mellor dos cinco que leva a nova parella creativa que se encarga agora das aventuras de Astérix. Mais aínda sendo o mellor dos últimos, non sei se por un férreo control dos detentadores dos dereitos dos personaxes ou se pola indubidábel presión que as expectativas sobre cada novo libro do pequeno guerreiro armoricano produce, Conrad e Ferri aínda non dan coa chave para chegar á altura dos mellores álbums desta histórica serie. O problema é que o lanzamento de cada nova aventura de Astérix e Obélix é un fenómeno editorial a nivel mundial e a capacidade de xerar expectativa e, por ende, vendas do personaxe remata enmascarando o que, logo de cinco libros, é xa un segredo a voces, os guións dos novos Astérix son bastante mediocres e por moi bo traballo que se faga no gráfico iso só non vai levantar a historia. Non podo rematar sen destacar que nesta nova etapa, na que os libros saen na nosa lingua simultaneamente ás do resto do Estado, o traballo de tradución de Isabel Soto, Xavier Senín e Alejandro Tobar, simplemente é perfecto. |
NOS_34024 | O centro de ensino secundario organiza a I Semana Solidaria xunto con ducias de organizacións e asociacións que presentarán as súas actividades, proxectarán documentarios e ofrecerán obradoiros. | O IES Félix Muriel de Rianxo organiza do 7 ao 11 de abril a I Semana Solidaria. Obradoiros exposicións, ciclos de cinema, performance teatrais e conferencias cunha temática común "a concienciación na solidariedade". (Podes consultar a programación completa nesta ligazón). A iniciativa visa tornar a vila "no centro de debate e formación sobre a solidariedade en Galiza" para o que se congregarán ducias de organizacións e asociacións que traballan "a prol de causas xustas". Cruz Vermella, Médicos Sen Fronteiras, A CREBA, AMiPA, a Fundación Paideia ou o Centro de Educación Especial de Vilagarcía son algúns dos colectivos que tomarán parte nesta actividade pensada, explican @s organizador@s, "para traballar de maneira dinámica" arredor da conciencia solidaria. Para difundir a I Semana Solidaria desde o IES Félix Muriel lanzaron unha campaña nas redes sociais na procura da madriña ou padriño que poña faciana a esta iniciativa. Unha acción que "está a ter unha acollida que nen nos imaxinabamos", sinalan. E é que múltiples artistas recoñecid@s enviaron xa os seus vídeos para se candidatar ao concurso. Cristina Castaño, Manuel Manquiña, Nieves Rodríguez, Gayoso, Roberto Vilar, Touriñán, Irene Lourido, María Mera, Pepo Suevos, Fran de Herdeiros da Crus , Bea Hervella e Isi responderon á chamada do IES de Rianxo e son algunhas das persoas que apoian a I Semana Solidaria. |
NOS_2189 | O Goberno vasco anunciou a pasada sexta feira que declarará a emerxencia sanitaria en Euskadi co fin de adoptar medidas adicionais que permitan conter a expansión do coronavirus. | O Boletín Oficial do País Vasco publicará esta segunda feira, 17 de agosto, a normativa que declarará a situación de emerxencia sanitaria en Euskadi. Así o avanzou a pasada sexta feira o Goberno en funcións do lehendakari, Íñigo Urkullu, quen asumirá o mando único na xestión da crise do coronavirus mediante a activación complementaria do plan de protección civil (Larrialdiei Aurregiteko Bidea, LABI). O Goberno en funcións ultima unha "tripla normativa" para aplicar canto antes as medidas acordadas polas comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, entre as que está a prohibición de fumar na rúa e o feche de discotecas e locais de copas, mais tamén co obxectivo de poder adoptar decisións adicionais que permitan frear o avance da Covid-19. A Lei de xestión de emerxencias de Euskadi autoriza o Goberno vasco a decretar o confinamento da poboación no seu domicilio, limitar a realización de determinadas actividades, restrinxir o acceso a espazos concretos ou condicionar o uso de servizos públicos ou privados. Segundo recolle a norma, estas medidas, "terán unha vixencia limitada estritamente ao tempo necesario para afrontar a emerxencia" e deberán ser "proporcionadas á entidade do risco". Medidas concretas As conselleiras de Saúde e Desenvolvemento Económico en funcións do Goberno vasco -Nekane Murga e Arantxa Tapia- adiantaron onte que tratarán de adecuar medidas concretas a focos específicos para responder ás exixencias do marco xurídico, que pide asumir solucións específicas, selectivas, "conforme as necesidades de cada momento". Será a segunda vez que Euskadi declare a emerxencia sanitaria. Fíxoo por primeira vez no mes de marzo, co fin de frear, como agora, unha curva epidemiolóxica en ascenso. Na última xornada, o departamento vasco de Saúde rexistrou 610 novos contaxios, a cifra mási alta desde o fin do estado de alarma. As primeiras decisións non se coñecerán até a vindeira terza feira, día no que o lehendakari presidira como mando único a primeira reunión do comité asesor encargado de discutir todas as opcións. |
PRAZA_17536 | Os corpos de José María Castelo Mosquera, Manuel Pena Camino, Vicente Peña Tarrasa e Manuela Teiga, asasinados en 1949 pola Garda Civil, foron exhumados hai dous anos pola ARMH. A entidade recuperou 53 cadáveres en Galicia dende o ano 2000. | O 24 de outubro de 2016 a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) recuperou nunha fosa común situado no adro da igrexa parroquial de Paramos (Val do Dubra) os corpos de catro persoas: José María Castelo Mosquera, Manuel Pena Camino, Vicente Peña Tarrasa e Manuela Teiga, un grupo de guerrilleiros que foron asasinados pola Garda Civil en 1949. O vindeiro 28 de xullo a entidade completará o proceso entregándolles os seus restos ás súas familias, nun acto solemne que terá lugar no Auditorio de Bembibre (Val do Dubra). Na cerimonia participarán os alcaldes de Val do Dubra e Negreira, membros da ARMH, poetas, veciños músicos e familiares. Xa no momento da recuperación dos cadáveres Alejandro Rodríguez, historiador da ARMH, destacaba que a entrega dos restos ás familias constituía "o verdadeiro obxectivo final". Entre os montes de León e Galicia existían organizados en guerrillas uns 20.000 homes e mulleres a finais da Guerra Civil. A finais do ano 1948 a presión sobre a guerrilla obrigou a buscar refuxio no lugar de Zas (concello de Negreira) aos membros do Destacamento "Manolo Bello" pertencente á IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia, formado por José María Castelo Mosquera -xefe do Destacamento- Vicente Peña Tarrasa, Manuel Pena Camino, Manuel Ramiro Souto e Carmen Temprano Salorio. O 5 de marzo de 1949, ao mencer, as forzas da Garda Civil rodearon a casa na que se ocultaban, iniciándose un combate no que caeu ferida de morte Camen Temprano Salorio. Ese mesmo días, ás tres da tarde, no quilómetro 23 da estrada de Portomouro a Santa Comba os catro superviventes foron cercados de novo e tivo lugar un novo enfrontamento, no que foron abatidos todos os membros do destacamento xunto coa sobriña da dona da casa de Zas, Manuela Teiga. Manuel Ramiro Souto foi o único que logrou fuxir, morrendo no ano 1952 durante un novo enfrontamento doas forzas da Garda Civil en Mesía. A represión desatada sobre os enlaces da guerrilla levou á cadea a numerosas persoas dos concellos de Negreira, A Baña e Val do Dubra e tamén se produciu a desaparición de Erundino Vieto Baña, da parroquia de Lañas (A Baña), que axudara os membros da guerrilla. Os catro cadáveres foron levados ao adro da igrexa parroquial de Paramos e enterrados en caixas de madeira, algo pouco común na represión franquista. Moitas décadas despois os testemuños dos veciños axudaron a atopalos. "O paso do tempo marcou as vítimas e é inquebrantable; case non hai xa testemuñas directas, pero as poucas que quedan seguen a conservar esa memoria", salienta Alejandro Rodríguez. A ARMH recuperou 53 cadáveres en Galicia dende o ano 2000 A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica localizou dende o ano 2000 os restos de máis de 1.400 vítimas do franquismo en todo o Estado Español. O seu traballo en Galicia suma 18 fosas localizadas e un total de 53 corpos recuperados. |
PRAZA_9087 | Feijóo únese as mensaxes de celebración polos acordos postelectorais do PP en Andalucía sen a candidatura máis votada, o mesmo que durante anos supuña, ao seu xuízo, "reinterpretar nos despachos o que din os cidadáns nas urnas" | "Los andaluces eligieron un gobierno de cambio para poner fin a 40 años de penosas políticas socialistas". O pasado día 9 o PP e o partido Vox rubricaban o acordo para garantir os votos da formación de extrema dereita á investidura de Juan Manuel Moreno como presidente da Junta de Andalucía e o líder dos populares, Pablo Casado, escribía esa mensaxe nas súas redes sociais. O perfil oficial do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, divulgou o chío, que incluía a lenda "comienza el cambio".Feijóo divulgou as mensaxes de celebración polo acordo do PP en Andalucía sen a participación da lista máis votada, o que definiu durante anos como "pacto de perdedores"Alén das obvias diferenzas por tratarse do primeiro acordo político ás claras entre un dos principais partidos do Estado coa extrema dereita, a linguaxe empregada por Casado e difundida por Feijóo para celebrar o pacto no que sustentará o bipartito para gobernar Andalucía co imprescindible apoio de Vox non é moi diferente á que, en numerosísimas ocasións, empregaron forzas de esquerda para anunciaren coalicións. Para explicaren que deixaban sen poder ao PP ao sumaren maioría absoluta en parlamentos ou concellos onde os conservadores tiveran o maior número de votos nas urnas, pero sen representación dabondo para gobernar. Para celebraren, ao cabo, o que incontables dirixentes do PP, con Feijóo en lugar destacado, deostaron durante anos como "pactos de perdedores".Moreno Bonilla será presidente cunha fórmula que, segundo Feijóo, "non ten tanto de democrático e nada de ético" porque "non pode ser presidente dunha comunidade quen perdeu"Porque o que está a piques de suceder en Andalucía non é outra cousa que unha desas coalicións que "non teñen tanto de democrático e nada de ético" por non participaren nelas a forza máis votada, en verbas de Feijóo en xuño de 2015. Botando man das argumentacións pasadas do titular da Xunta, o seu compañeiro de filas Moreno Bonilla vai tornar en presidente de Andalucía porque na actualidade "é igual gañar que perder" e "isto é un problema". Porque, segundo afirmou en xaneiro de 2018, "non pode ser o presidente dunha comunidade autónoma quen perdeu", en referencia á súa oposición a que non goberne alguén distinto da persoa designada como candidata pola forza cuxas listas sumen máis votos. No caso de Andalucía, a socialista Susana Díaz.Pero, tamén para Feijóo, o resultado de Andalucía mudouno todo. O electorado andaluz "díxolle á esquerda que non quere que siga gobernando e hai unha opción clarísima para que haxa un goberno distinto", defendeu o presidente galego. A prioridade é alternancia porque o PSOE gobernou durante os 36 anos da historia da autonomía en Andalucía. En Galicia, o PP encabezou a Xunta dende 1981 só con dúas parénteses: dous anos tras a moción de censura de 1987 os tres anos e medio de PSdeG e BNG.Moreno Bonilla incorre ademais nun dos supostos que Feijóo lle reprocha a Pedro Sánchez: gobernar sen a forza máis votada e despois de empeorar o seu propio resultado electoralA opción "clarísima" non é outra que a de Moreno Bonilla, que incorre ademais nun dos supostos que Feijóo vén reprochando a Pedro Sánchez dende a moción de censura coa que chegou ao Goberno de España en xuño de 2018: gobernar sen a forza máis votada e despois de ter un resultado electoral peor que o das anteriores eleccións. Non en van, os populares gobernaran a Junta tras perder seis escanos e case seis puntos de apoio cidadán con relación aos anteriores comicios. Ou, o que é o mesmo, tras un devalo que os levou ao seu peor resultado electoral en Andalucía en tres décadas, amortecido pola tamén histórica caída do PSOE.O acontecido en Andalucía é tamén, non obstante, unha mensaxe para a esquerda alén do contexto andaluz. O PP de Casado xa advirte de que, se os números o permiten, reproducirá a coalición de dereitas alí onde sexa posible tras as eleccións municipais do 26 de maio, que tamén son autonómicas en 13 comunidades. E os acordos, atendendo a Andalucía, teceranse velozmente e sen atrancos, alén de escenificacións.En maio o PP reproducirá os pactos de dereitas onde poida e os gobernos que emanen deles terán a lexitimidade democrática que os populares negaron á coalición que gobernou Galicia de 2005 a 2009Morre ata nova orde para os populares, daquela, o slogan do "pacto de perdedores" se lles é posible sumar. E os gobernos que emanen deses acordos terán a lexitimidade democrática que, por exemplo, negaron máis ou menos abertamente ao Executivo de PSdeG e BNG que gobernou Galicia entre 2005 e 2009. "Porque cremos na liberdade e na democracia, deixade sempre que goberne a lista do candidato máis votado", clamaba Feijóo nun acto do PPdeG en 2007."Hoy se abre una nueva página de la historia de Andalucía. #ComienzaElCambio tras casi 40 años de monopolio de un gobierno socialista", sinalou Moreno Bonilla noutra mensaxe nas redes sociais divulgada polos perfís oficiais de Feijóo. O sector máis centralista do PPdeG aplaude ruidosamente o inminente novo goberno andaluz. Aínda que iso supoña soterrar o que, en verbas de Feijóo en 2014, é "o excelente principio de que goberne a lista máis votada" para que así "as minorías non se impoñan ás maiorías". Pactos como os que agora asinan para gobernar Andalucía supuñan, segundo Feijóo, "reinterpretar nos despachos o que din os cidadáns nas urnas"Cómpre, cren os populares, saudar con entusiasmo os acordos asinados pola cúpula do seu partido coa extrema dereita de Vox, por unha banda, e con Ciudadanos, pola outra. Acordos postelectorais para lograr unha investidura sen a lista máis votada para os que Feijóo reservaba na primavera de 2015 nun acto de partido en Lugo unha definición pouco amable. Pactos como os que agora asinan os de Casado para facer presidente a Moreno Bonilla supuñan, segundo o presidente da Xunta, "reinterpretar nos despachos o que din os cidadáns nas urnas". |
PRAZA_8074 | Este sábado organízase en Vigo un obradoiro que analiza as situacións de pobreza e exclusión social e prensenta e pon en común distintas ferramentas de traballo para a transformación social. | ODS-Coia (Oficina Dereitos Sociais – Coia), G.A.S. (Grupo Axitación Social) e Baladre (Coordinación de loitas contra o empobrecemento, a exclusión e a precariedade) organizan este sábado en Vigo un obradoiro de ferramentas para a transformacion social baixo o título de Da RISGA á Renda Básica das Iguais. O obxectivo é dobre: por unha banda dar a coñecer e analizar unha realidade de pobreza e exclusión que sofren cada vez máis galegos e galegas. Segundo o último informe da Rede Europea contra a Pobreza (EAPN), o 23,7% da poboación galega, un total de 662.515 persoas, atopábanse en situación de pobreza ou exclusión social no 2011, 65.386 delas en condicións de "privación material severa". E polo outro lado quérense amosar e poñer en común os procesos, propostas e traballo alternativo para loitar contra esta situación. A mensaxe que se quere transmitir é que hai alternativas e ferramentas na man de todos para loitar contra a pobreza. Como indican os seus organizadores "con esta xornada abordaremos a necesidade de poñer en marcha espazos e dinámicas transformadoras, que partan da esixencia dos nosos dereitos a través da denuncia e da loita. E non dende a miseria de parchear situacións de exclusión que só logran tapar a realidade de desigualdade e inxustiza que provoca o sistema capitalista". O obradoiro comezará ás once da mañá e realizarase na parroquia do Cristo da Victoria (rúa Baiona 9, Coia - Vigo). O problema da RISGA é que a prestación é claramente insuficiente, tanto na axuda que achega coma sobre todo en canto á porcentaxe de poboación que cobre A primeira parte do obradoiro será dinamizada por María Martínez, traballadora social, e por Ana Belén Méndez, profesora do Grao de Traballo Social no Campus de Ourense da Universidade de Vigo, que realizarán unha análise da desprotección social a partir da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA). Esta prestación social de carácter periódico está destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, mediante un proxecto personalizado de inserción constituído por un conxunto de accións tendentes á mellora da integración persoal, familiar, social e, se é o caso, laboral da persoa beneficiaria. O problema é que a prestación é claramente insuficiente, tanto na axuda que achega coma sobre todo en canto á porcentaxe de poboación que cobre. A Xunta dedicou 32 millóns de euros no 2012 para esta prestación, rematando o ano con 6.700 persoas perceptoras, moi lonxe da cifra de 30.000 fogares galegos non teñen ingresos. Os organizadores do obradoiro denuncian que os prazos de espera e criterios para acceder a prestación como a RISGA non fan máis que aumentar. Ferramentas de transformación Unha segunda parte do obradoiro incide nas ferramentas e estratexias para a transformación social, dende a proposta da renda básica, os puntos de información, o apoio mutuo, desobediencia ou a comunicación crítica Unha segunda parte do obradoiro, que será impartido por Manolo S. Bayona, de Baladre, incide nas ferramentas e estratexias para a transformación social, dende a proposta da renda básica, os puntos de información, o apoio mutuo, desobediencia ou a comunicación crítica. A Renda Básica das Iguais en Galiza (RBisG) consiste no dereito que ten cada persoa a percibir periodicamente uns ingresos que lle permita cubrir as súas necesidades. Tratase dun dereito que ha de percibirse de xeito individual; universal e incondicional e cuxa contía económica sexa, polo mínimo, igual ao limiar de pobreza. As vías para acadar os ingresos necesarios para implantación deste dereito consisten na re-asignación do gasto público e na reforma do sistema fiscal. Os Puntos de Información sobre Dereitos Sociais son unha ferramenta para a consecución do apoio mutuo real entre a veciñanza dos barrios. E todo xirando ao redor do intercambio de información sobre axudas sociais, de visibilizar e denunciar o empobrecemento e de buscar respostas colectivas fronte a exclusión e a perda de dereitos. Sempre provocando relacións coa poboación non mobilizada e os colectivos sociais, "sen os que non é posible levar a cabo ningún proceso de cambio", din. Mari Fidalgo, de Baladre, salienta que cada vez son máis "as experiencias de economía social e solidaria que están agromando en Galicia" Mari Fidalgo, de Baladre, salienta que cada vez son máis "as experiencias de economía social e solidaria que están agromando en Galicia". E sinala que tamén se están poñendo en marcha proxectos integrais en distintas localidades e mesmo un espazo de coordinación chamado Miga, Mancomunidade Integral Galega, "que tamén busca facer dialogar esas experiencias -de vivenda de alimentación...- que existen á marxe do mercado e dende unha óptica distinta á capitalista". Ademais da atención a través da oficina de dereitos sociais, e da acción social a través da solidariedade e do troco, desde este espazo de mobilización optan por outras opcións para mudar a situación actual: "as alternativas pasan por esixir os nosos dereitos, mudar o paso de todo está mal e non podemos facer nada, ao feito de termos os nosos veciños e veciñas que nos poden botar una man e xuntos podemos ter o gusto de que nos vexan e sinalar aos responsábeis. É importante que nos vexamos con algo máis de dignidade. Os que están presentes nos distintos poderes son os responsábeis, e manifestar isto é sanador e liberador, liberarnos da culpabilidade da situación na que vivimos e mobilizarnos". Mari Fidalgo destaca que o que se busca non é só acadar unha "vida digna" senón que hai que aspirar a "unha vida plena unha vida que paga a pena ser vivida" Neste senso Mari Fidalgo destaca que o que se busca non é só acadar unha "vida digna" senón que hai que aspirar a "unha vida plena, unha vida que paga a pena ser vivida". Fidalgo salienta que "neste momento todos estamos entendendo como funciona o capitalismo porque está ofrecendo a súa cara máis cruel" e chama a "recuperar prácticas que eran habituais en Galicia até hai décadas, centradas na cooperación e na reutilización". E conclúe afirmando que "outros colectivos céntranse na loita contra a pobreza" pero que en Baladre "asumimos a loita contra a riqueza. Estamos vendo todos eses casos de corrupción, pero tamén debemos falar da acción dos Gobernos e dos seus recortes". Oficinas públicas para previr os desafiuzamentos O Colexio Oficial de Traballo Social reivindica que "un sistema público de benestar social é a mellor garantía de protección para o conxunto da cidadanía" Este luns o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia propúxolle á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, impulsar una rede de oficinas para evitar os desafiuzamentos dende unha fase preventiva: "facendo un seguimento pormenorizado de cada caso para que as familias non perdan as súas vivendas". As oficinas funcionarían como "un punto de información de reclamación por débedas hipotecarias", con atención pormenorizada en materia de alugueres, acceso a vivendas ou xustiza gratuíta". O seu responsable, Tubío Ordóñez, reivindicou que "un sistema público de benestar social é a mellor garantía de protección para o conxunto da cidadanía", pero advertiu de que "non pode só actuar como un elemento reparador, senón tamén como mecanismo preventivo". |
NOS_48174 | A axenda do 25 de xullo, ao completo. | O Día da Patria Galega volve cargado de actos malia as limitacións impostas pola pandemia. O BNG recupera a súa tradicional marcha polas rúas de Compostela, mentres o PSdeG fai o seu acto polo 25-X en Rianxo. As restantes organizacións soberanistas ou da esquerda desenvolven distintas convocatorias na capital da Galiza. O Bloque Nacionalista Galego tenlle ganas a este 25 de xullo. Malia que por razóns sanitarias, os nacionalistas suspenden o Festigal e os actos da tarde na carballeira de San Lourenzo, a manifestación retorna ao seu percorrido habitual, con saída ás 12 horas da Alameda de Compostela e remate na Praza da Quintana. A intervención da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, vaille pór fin a xornada, onde se conta coa presenza de máis de 40 delegacións internacionais. O Partido Socialista da Galiza acode de novo a Rianxo. Ás 11.30 horas, diante da estatua de Daniel Castelao interveñen a voceira do partido en Rianxo, Carmen Figueira, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, a ex presidenta do Parlamento da Galiza, Lola Villarino, a portavoz de Cultura da formación, Noa Díaz, o presidente do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga, o ex ministro de Xustiza con Rodríguez Zapatero, Francisco Caamaño e o secretario xeral, Gonzalo Caballero. Anova recunca ao compostelán parque de Galeras. A xornada arranca ás 11 horas cunha mesa redonda sobre as loitas sociais na Galiza, coa participacións de representantes de diversos colectivos sociais, continúa ás 12 horas cun debate sobre municipalismo onde van estar presentes algunhas candidaturas locais e remata ás 13.30 horas coa intervención do portavoz nacional, Antón Sánchez. Pulo mobilizador A Alameda de Compostela acolle a saída de dúas marchas convocadas por diversas forzas. A primeira delas, por Agora Galiza, en parcería con colectivos antifascistas ou forzas políticas como o PCPE ou o PC (M-L) arranca ás 12.30 e remata ás 13.30 na praza do Pan, cun acto político e unha actuación musical de Xosé Constela. A segunda, organizada polas Assembleias Abertas Independentistas, parte ás 13 horas e pretende "recoller o mellor dunha tradición de compromiso e loita forxada durante xeracións de independentistas, especialmente no que se refire ao último ciclo do noso movemento". As convocatorias de Esquerda Unida e Causa Galiza caen este ano. Segundo sinalan a Nós Diario fontes da formación liderada por Eva Solla, a suspensión do acto está motivado pola situación sanitaria derivada pandemia. Pola súa banda, Causa Galiza anuncia "con pesar", a súa "desmobilización" neste 25 de xullo porque "explicitar con reiteración a división e debilidade extrema da fracción mais consciente do seu pobo non sería a actitude responsábel que se debería esperar dunha organización política seria". As vésperas da Día da Patria Galega veñen, tamén, completas. Así, ás 13 horas a Fundación Galiza Sempre organiza un acto político no hotel San Francisco de Compostela coa participación de Ana Pontón, Ana Miranda, Ruben Cela e Oriol Junqueras. Ás 17 horas, Galiza Nova homenaxea a Rosalía de Castro e Daniel Castelao no parque de Bonaval coa participación de Ana Pontón, Sabela Méndez e Paulo Ríos e ás 18.30 Ceivar dá comezo a súa cadea humana para esixir a liberdade dos presos independentistas. Por último, ese mesmo día ás 20 horas arranca da Alameda de Compostela unha marcha organizada polas entidades xuvenís nacionalistas a prol da República Galega. |
PRAZA_6194 | Critica que as políticas de crecemento sexan "escasas" e "supeditadas" aos obxectivos de austeridade na súa memoria de 2013, na que asegura que 2013 foi "un punto de inflexión" pero onde pide reactivar o mercado interno e o emprego. | O Consello Económico e Social (CES) presentou este mércores a súa memoria 2013, centrada na complicada situación económica no país e as consecuencias que a crise está a ter na cidadanía. O organismo, que avalía o impacto dos anteproxectos de lei así como o contexto socioeconómico, asegura que o pasado ano foi "un punto de inflexión" na economía galega e ve indicios de recuperación, pero non dubida en criticar con dureza os recortes sociais levados a cabo na autonomía e a redución de recursos destinados aos bens públicos mentres aumentan os que se destinan a afrontar os pagos da débeda pública. O CES censura que as políticas de crecemento sexan "escasas e supeditadas" aos obxectivos de austeridade e disciplina macroconómica De feito, o CES censura que para facerlle fronte ás "dificultades" da economía galega, as políticas de crecemento son "escasas e supeditadas" aos obxectivos de austeridade e disciplina macroeconómica e que deberían tender a "consolidar" un crecemento "máis sostible e mellor adaptado" ás economías "avanzadas". O Consello, que rexeita avaliar o impacto das políticas da Xunta de Feijóo no panorama económico, é non obstante ben claro cando alude na súa memoria ao "forte impacto social e económico" da crise e manifesta a súa preocupación pola "progresiva redución" dos recursos destinados á produción de bens públicos de carácter social, en especial en educación e sanidade, pero tamén en protección e promoción social. Así, cifra o recorte no primeiro ámbito nos 247 millóns de euros e no segundo en máis de 175. Fronte a estes recortes, o CES contrapón o "elevado e progresivo incremento" dos recursos destinados a afrontar os pagos da débeda pública. O organismo destaca a "progresiva redución" dos recursos en educación, sanidade ou protección social mentres se "elevan" os destinados á débeda Tamén analiza a memoria a calidade de vida e benestar social e conclúe na necesidade de adoptar medidas que garantan a cobertura e os "mínimos de subsistencia", así como apostar pola innovación e por unha educación con estabilidade normativa. Tamén fai unha advertencia o CES cando destaca a "importancia" de avanzar na complementariedade entre as políticas económicas e de emprego, así como nas medidas de protección e inclusión social, centrada especialmente nos maiores de 45 anos e nos mozos ou parados de longa duración. Precisamente, a memoria repara na "forte destrución de emprego" e no "grave incremento" da poboación parada como "as peores consecuencias da crise", polo que insta a Xunta a traballar na "consecución do crecemento económico", tras destacar a "mellora" nos datos de desemprego e nun "cambio de tendencia" que estaría ratificándose neste 2014. Tamén alerta da "preocupante redución do peso relativo da remuneración dos asalariados" durante a crise, o que dificulta a recuperación económica. O CES ve "prioritario" reactivar o mercado interno fronte á continua "internacionalización" á que alude a Xunta Para lograla, o CES ve fundamental e "prioritario" que a Xunta "reactive o mercado interno, o emprego e o dinamismo investidor", máis aló da "internacionalización" á que sempre fai referencia a Administración. De feito, o Consello chama a atención sobre o "elevado ritmo de destrución" do tecido empresarial galego, "lastrado" polas dificultades dun mercado interno contraído, un endebedamento elevado e unha falta de acceso ao financiamento. Ao tempo, aposta por recuperar sectores "estratéxicos" como o agrogandeiro ou o naval. A memoria foi presentada en rolda de prensa pola presidenta do CES, Corina Porro, que di que se ve "unha luz ao final do túnel", así como por Juan José Gallego, secretario, a presidenta da comisión de traballo do documento, Marta Mate, e dous técnicos do organismo. |
PRAZA_3707 | Dende este domingo en Galicia poden autorizarse accións de caza de especies cinexéticas nunha serie de supostos. ASCEL acusa o Goberno galego de practicar un "trato de favor" en relación co colectivo de cazadores. | Galicia e o conxunto do Estado español viven en estado de alarma dende hai 11 días. A maior parte das actividades ao aire libre están prohibidas, agás unha serie de excepcións, como a actividades laborais e outras de primeira necesidade. Porén, o pasado 21 de marzo a Xunta autorizou novas excepcións, publicadas do DOG do día seguinte.En Galicia poden autorizarse accións de caza de especies cinexéticas nunha serie de supostosUnha delas refírese á caza, sinalando que "excepcionalmente, e como medida de control, poderán autorizarse accións de caza de especies cinexéticas" nunha serie de supostos. Estes supostos serían a aparición de "graves danos xeneralizados á agricultura ou á gandaría", tamén a consecuencia de "accidentes graves de tráfico reiterados nun mesmo punto quilométrico" e tamén no suposto "de graves riscos en sanidade animal (prevención da entrada da peste porcina africana)".En todos os casos, iso si, a caza debería ser practicada por un só cazador e, ademais, as xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda deberá comprobar previamente "os riscos, continxencias ou o grao de inseguridade".ASCEL denuncia que esta decisión da Xunta supón un "incumprimento do estado de emerxencia" e acusa o Goberno galego de practicar un "trato de favor" en relación co colectivo de cazadoresA Asociación para a Conservación e Estudo do Lobo (ASCEL) denuncia que esta decisión da Xunta supón un "incumprimento do estado de emerxencia" e acusa o Goberno galego de practicar un "trato de favor" en relación co colectivo de cazadores.A entidade subliña que varios dos supostos introducidos non teñen moito sentido na actual situación, sobre todo o dos accidentes de tráfico provocados, nun momento no que a circulación de vehículos se reduciu ao mínimo. ASCEL esixe que a Xunta dea marcha atrás e anule a medida e anuncia que xa presentou unha dobre denuncia ante a Delegación do Goberno central en Galicia e ante o Ministerio do Interior para que suprima o acordo aprobado pola Xunta, abra expediente sancionador a quen subscribira este acordo e subliñe que "ningunha actividade cinexética pode ser considerada exenta das restricións" fixadas polo estado de alarma. |
NOS_55868 | Fillo do exilio galego, lenda herdeira do secuestro do Santa María, Federico Fernández Ackermann finou esta semana en Venezuela, onde era recoñecido como un dos seus principais fotógrafos. | Federico Fernández Ackermann era un dos seis fillos do comandante Soutomaior, protagonista do célebre secuestro do Santa María polo DRIL e autor dun libro memorialístico relatando un dos episodios máis sonados contra as ditaduras franquista e salazarista. Canda seu pai, Federico Fernández partillou tamén na acción que quería denunciar as diatduras de España e Portugal. O seu nome é un dos máis recoñecidos do mundo da fotografía en Venezuela, onde acadou en 1995 o Premio Nacional de Fotografía. A súa biografía ten tamén no compromiso e na militancia na esquerda un dos seus eixos fundamentais desde o seu nacemento no exilio francés e o exilio no que viviría toda a súa biografía. Así, Fernández foi partícipe en 1963 da toma do mercante Anzoátegui, contra o goberno de Betncourt polo que foi detido e preso durante tres anos. Fernández Ackermann foi un dos protagonistas do filme "Santa Liberdade" de Margarita Ledo canda Vítor Velo, fillo de Pepe Velo e Camilo Mortagua, a man dereita de Galvão. No comezo dos anos setenta iniciouse na fotografía e comezou unha traxectoria que o levarían a se convertir nun dos máis relevantes fotógrafos latinoamericanos e ser testemuña gráfica, entre outros, da Nicaragua sandinista. A súa obra foi mostrada na Galiza, onde buscou as súas orixes, da man, entre outros, de Xurxo Martiz, amigo e biógrafo do que publicamos un artigo de lembranza. A pasada segunda feira, os seus restos foron incinerados no Cemiterio do Este, en La Guairita, Caracas. |
NOS_39656 | Hai un século que as Irmandades da Fala, durante a II Asemblea Nacionalista, en novembro de 1919, fixaban o 25 de Xullo como o Día Nacional da Galiza. Un ano despois tivo lugar a primeira celebración. A que Castelao describiu como "a maior festa de todos os galegos" recibiu o apelativo de Día da Patria Galega do nacionalista Bautista Álvarez en 1968. Neste 2019 Sermos Galiza fala con Anxo Angueira, Montse Fajardo, Paulo Carril, Víctor Freixanes, Mercedes Queixas, Ximena González, Manuel Vilar, María Pilar García Negro e Olaia Ledo sobre o significado que debera ter o 25 de Xullo a nivel social. | Anxo Angueira, Presidente da Fundación Rosalía de Castro "A unidade e unha celebración reivindicativa son os principios que debemos manter" Para min o 25 de Xullo debe ter o significado que tivo xa desde a primeira noticia que eu coñezo desta celebración: a que aparece no Coloquio de Sarmiento de 1746. Nas súas páxinas fálase de como en Madrid -en Madrid, non aquí, na Galiza- se reúnen en congregación ("conguergazón", dicía el) os galegos e galegas emigrantes o día 25. Celebran con festa e celebran coa música nacional galega, de gaitas e zanfonas. Para min é iso, unha festa que nos debería unir a todos e a todas. Unha festa reivindicativa que deberiamos celebrar con alegría e con esperanza, porque o noso é un proxecto con futuro. A unidade e esa celebración reivindicativa son para min os principios que debemos manter, os principios que xa había nese texto de Sarmiento. O nivel social e nacional non son separábeis. Non o eran tampouco no discurso político que hai detrás das páxinas de Rosalía de Castro. Creo que ao longo da nosa historia, do noso proxecto de liberdade, o social e o nacional camiñaron xuntos. Por así expresalo, nosa é "a casa, o val, a patria humilde", que dicía Uxío Novoneyra. Montse Fajardo, Integrante da Iniciativa Galega da Memoria "Querería que esta data se faga desde a memoria e desde o feminismo" Creo que o 25 de Xullo ten que ter un significado de orgullo e arraigo polo noso. Penso que Galiza está a venderse a cachiños, tanto desde a Xunta como desde o goberno central. Galiza é unha terra moi rica que penso que están vendendo a saldo: a enerxía eólica, os recursos mineiros, pesqueiros etc. Galiza é unha terra moi rica que están espoliando. O 25 de Xullo ten que ter un carácter de orgullo de país, de reivindicación do noso. A nosa terra é moi rica e ten que servir para que a xente que a habita viva en mellores condicións. Que o pan non sexa só para os ricos, que cada vez teñen máis mentres os que vivimos na terra pasámolo mal. Orgullo e loita, en dúas palabras. Penso que tamén é importante, dentro da parte de orgullo, reivindicar a patria da lingua. Creo que a lingua e a cultura neste momento tamén están sendo atacadas. O orgullo ten que ser tamén por elas, ademais de pola nosa xente. Debemos defendelas para que ninguén veña a esquilmarnos o país desde as alturas. Tamén querería que esta data, e estas reivindicacións, se fagan desde a memoria e o feminismo. Paulo Carril, Secretario Xeral da CIG "Neste 25 de Xullo apostamos na autoorganización do pobo galego e da clase traballadora" Desde a CIG chamamos a reivindicar os nosos dereitos como clase e como nación este 25 de Xullo. A demanda dunha Galiza ceibe sen explotación ten para nós toda a actualidade, ante a situación de emerxencia nacional e social que vivimos como consecuencia da crise económica. Tamén dun intenso roubo e saqueo das clases populares na lóxica dun capitalismo que afonda no noso papel tradicional de nación colonizada e explotada, subministradora de man de obra a través da emigración. Vemos que os nosos recursos son espoliados con grandes impactos ambientais, económicos e sociais, sen que isto reverta no país. Entendemos tamén que a perda de emprego, a crise demográfica, a emigración xuvenil, o desmantelamento industrial, o feche e a deslocalización de empresas evidencian de forma dramática o dano que provocan estas prácticas neoliberais na Galiza. Alén de todo o que xa temos denunciado, como as reformas laborais ou o problema das pensións, que estenden a precariedade, a pobreza e os baixos salarios na poboación galega. As reivindicacións de dereitos laborais e sociais pasan por unha vontade política de pular pola nosa soberanía e capacidade de decidir. Neste 25 de Xullo apostamos na autoorganización do pobo galego e da clase traballadora. Mercedes Queixas, Secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega "O 25 de Xullo é unha cura afectiva contra o desamor" O 25 de Xullo é unha cura afectiva contra o desamor, contra o desafecto e contra o desencontro. É unha grande aperta que nos damos, que nace da convicción de sermos e construírnos pobo galego. De sermos un corpo vivo con identidade plena. Gustaríame compartir con toda a sociedade unha xornada de contraste de fortalezas, entendida como superación de complexos e de soidades individuais que ao longo do ano nos poden ir axexando. É tamén unha xornada de sorrisos, de olladas e de esperanzas que nos autoafirma na identidade propia que temos como galegas e galegos. Para min tamén, un pouco literal e metaforicamente, o 25 de Xullo é unha xornada para camiñar cara ao reencontro, avanzar na autoconfianza e medrar no amor ao país e a nós mesmos. A data na que cada ano comeza de novo, un impulso no camiño, sempre con ese escenario ilusionante de irmandade, en público, desde a Alameda até a Quintana, onde atopas esas persoas que non ves en todo o ano. No fondo, o 25 de Xullo é unha estación esperanza máis na viaxe milenaria que vimos facendo cara a esta identidade que nos caracteriza como pobo con conciencia, plural, diverso, inclusivo, feminista e sempre integrador. Ximena González, Integrante da Marcha Mundial das Mulleres "Un dos significados do 25 de Xullo é sentírmonos axentes políticos da construción nacional" A nivel social debera ter dous significados para o pobo e para a xente organizada. Un é o significado de sentirnos parte dun suxeito político, de sentírmonos axentes políticos da construción nacional. O día no que as galegas nos reivindicamos e nos recoñecemos como axentes políticos construíndo a nosa nación. Por outro lado, penso que temos que mantelo como unha data de celebración e construción da comunidade. A pesar de que hai múltiples actos diferentes, en distintos espazos de Compostela, todos teñen en común que nos fan sentir parte de algo maior que os nosos círculos vitais. Esas dúas cousas deberan ser centrais nas reivindicacións do Día da Patria Galega. Moi por riba das manifestacións, pois penso que cando teñamos unha Galiza independente deberemos manter esa vontade colectiva. Para que a nivel de organizacións e colectivos sociais o día nacional fose cada vez máis fixo -ese día de sentirse parte, de construír comunidade- sería bo camiñar cara a modelos de celebración como o da Diada catalá. Creo que as entidades sociais levando a bandeira da mobilización estes días axudaría a que se fortalecese esa sensación de pertenza, de comunidade, dun xeito máis amplo. Percorrendo ese camiño, que o percorreremos, poderemos sumar máis vontades a ese día nacional. Olaia Ledo, Integrante da Semente Trasancos "Todo colle no Día da Patria Galega para unha xornada de vencer" É un día no que celebramos que existimos, que somos e queremos ser. É un día no que loitamos por todos os dereitos e sentímonos libres por unhas horas. É un día para soñar coa liberdade do futuro. Por iso é o día de todos e todas as galegas: as que veñen, as que permanecen e as que se van, as que son "en si" ou "de si". É un día de festa e tamén de loita. Compostela faise cerne, a capital da nación oculta pero existente. A capital non só das que reivindicamos a autoestima do pobo galego, senón das que veñen coñecer unha cidade que naceu cunha historia que nos quixeron borrar da memoria, esnaquizar e inventar outra. Unha vez máis, temos que buscar a verdade nós mesmas. Por iso é tan necesario o nacionalismo galego, porque é a ferramenta de construír ese soño colectivo, e por iso o Festigal é un fenómeno social. Porque para conquistar utopías primeiro hai que soñalas. E nós temos unha realidade tanxíbel: a do pobo galego traballador, a das precarias, a do rural que esmorece, a do mar que non deixan pescar, a da emigración... Todo colle no Día da Patria Galega para unha xornada de vencer. María Pilar García Negro, Presidenta da Federación Galiza Cultura "Celebramos a nosa vontade de ser e de existir como sociedade libre e soberana" O Día da Patria Galega xa ten definido e asentado o seu carácter sociopolítico desde hai moitos anos: é o día da "emancipación patria", por dicelo en expresión de Ramón Vilar Ponte, hai noventa anos. Desde hai máis de corenta, representa a cifra da conciencia nacional galega: o encontro de miles de galegas e galegos que queremos exteriorizar a nosa ansia de pertencermos a un pobo, a unha sociedade que se ama, se respeita e defende activamente os seus dereitos políticos, a vontade dun goberno sobre os nosos recursos e a aspiración, en suma, de que todas e todos poidamos viver e traballar na nosa terra. Resposta a tanta ignorancia inducida sobre nós mesmos e alternativa a unha celebración que nos nega, unxida polo españolismo, o clericalismo e o militarismo. Celebramos non unha efeméride sen máis, senón a nosa vontade de ser e de existir como sociedade libre e soberana, sen pedirmos permiso nen admitir tutelas. A nosa nación non cabe na Constitución española que a aferrolla nunha dependencia letal. Proclamamos ben alto e claro a patria galega: a de Rosalía de Castro, a de Castelao, a de Ricardo Carvalho Calero, a de X. R. Reboiras. Manuel Vilar, Presidente do Museo do Pobo Galego "Nun país coma o noso, o 25 de Xullo ten que ser reivindicativo e de reclamo da soberanía" Nun país normalizado, soberano, o Día Nacional é un día de festa; calquera pode comprobalo, por exemplo, un 17 de marzo en Dublín. Toda festa é un acto social e fai compartir cos demais sentimentos e símbolos, entre eles os de pertencer a unha comunidade. Neste caso é un día no que se celebra o ser unha nación, ser cidadáns. Non é preciso levar unha pancarta para reivindicalo. Igualmente, nunha festa familiar non imos co documento de identidade colgado. Somos. Mais nun país coma o noso ese día ten que ser reivindicativo e de reclamo da soberanía, de sermos cidadáns. Toda festa é tamén unha paréntese no discorrer do tempo, un acto que reivindica volver celebrar. O 25 de Xullo é un empurrón de optimismo colectivo. Para que ese optimismo sexa posíbel, temos que demostrar que os símbolos teñen significado e son compartidos. Mais temos que exteriorizalos, facer ver que hai unhas pautas compartidas nunha vivencia en sociedade. Se a festa é un momento de alegría, fagamos a reivindicación tamén desde o optimismo. A festa é unha necesidade humana, celebrala é dicir que algo importa e ten significado. O 25 de Xullo é a festa que mostra a viveza da sociedade na que vivo. Víctor Freixanes, Presidente da Real Academia Galega "Hai distintas sensibilidades e distintas intensidades para entender Galiza" A sociedade galega, como toda sociedade moderna e democrática, é unha sociedade plural e, por tanto, complexa. Hai sensibilidades diversas. Mesmo diversas maneiras de entender Galiza e de amar o país. Distintas sensibilidades e distintas intensidades. Todas merecen respecto e todas son Galiza. Hai algo que me gusta especialmente na "Alba de Gloria" de Castelao: a súa vontade integradora. Quen son os que desfilan na luminosa Compaña? Persoas e persoeiros da máis variada condición, de distintas épocas e distintas mentalidades, distintas maneiras de pensar e de expresarse, distintas linguas: latín, castelán, galego. A nación constrúese entre todos ao longo da historia. Desde Prisciliano, citado en primeiro lugar, a Ramón María del Valle-Inclán, "aínda non ben descarnado"; desde Alfonso VII e o Conde de Traba ao padre Sarmiento; desde os Irmandiños a Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán. Todos e todas son Galiza, sobre todo esa constelación de luciñas anónimas que xorden de súpeto de todos os recantos do país, homes e mulleres, galegas e galegos anónimos, o pobo, que nos dá razón de ser. Nesa filosofía integradora e plural debemos camiñar. [Esta información foi publicada no número 356 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_22144 | "Hoxe a esperanza impúxose ao medo", declarou o novo presidente chileno. | O candidato de esquerda, Gabriel Boric, é o gañador da segunda volta das eleccións presidenciais realizadas este domingo en Chile cun 55,9% de votos, unha vez escrutadas o 99,96% das mesas. Segundo estes datos, publicados polo Servizo Electoral de Chile (Servel) Boric imponse ao candidato ultradereitista, José Antonio Kast, que lograría un 44,1% de apoios. Case 12 puntos de vantaxe que poñen fin a un dos procesos máis polarizados e incertos desde o retorno á democracia en 1989. O ex líder estudantil tomará posesión do cargo o 11 de marzo de 2022. Tras coñecerse os primeiros datos, Kast recoñeceu a súa derrota e felicitou a Boric. "Acabo de falar con Gabriel Boric e feliciteino polo seu gran triunfo. Desde hoxe é o Presidente electo de Chile e merece todo o noso respecto e colaboración construtiva. Chile sempre está primeiro", publicou o candidato da ultradereita en Twitter. A vitoria significa a volta da esquerda máis progresista ao poder en Chile tras catro anos de Piñera, representante da dereita. O programa de Boric avoga por un novo modelo de desenvolvemento, centrado nas enerxías renovábeis, os impostos ás grandes fortunas e o fomento á ciencia e tecnoloxía; ademais de fortalecer os dereitos da muller e as minorías sexuais, a saúde (incluíndo a mental), o medio ambiente e a cultura. Na primeira volta, o 21 de novembro, impúxose Kast co 27,91%, seguido de Boric co 25,82%. Ámbolos dous recibiron o apoio das candidaturas máis próximas a nivel ideolóxico. O republicano foi sustentado por Chile Vamos -a forza do presidente actual, Sebastián Piñera- e Boric por Novo Pacto Social e o Partido Progresista. O programa de Boric Entre as proposicións dos progresistas destaca unha reforma tributaria do 8% do PIB nun período de entre seis e oito anos. Ademais, promete acabar co privatizado sistema de pensións e substituílo por un "órgano público autónomo, técnico e paritario". Para xerar emprego, coa meta de recuperar 500.000 postos para as mulleres, pretenden aumentar as axudas, revisar a subcontratación e mellorar o acceso a créditos brandos das pequenas e medianas empresas. Asemade, aborda unha suba do salario mínimo e a consolidación dunha xornada laboral de 40 horas semanais. No programa tamén aparece unha garantía para legalizar o aborto ou loitar polos dereitos das mulleres e dos pobos orixinarios, do mesmo xeito que a creación dun fondo soberano para acelerar a adaptación ao cambio climático. |
NOS_44100 | Ditamina que sexan xuíces e xuízas quen controle se ese índice, que afecta miles de galegos e galegas, é abusivo. En tal caso, poderá substituílo por outro índice legal, como o Euríbor. | A sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo (TXUE) dita mina que corresponde aos xuíces e xuízas de cada estado membro decidir se aplica un interese diferente nos casos nos que considere abusivo o IREH (Índice de referencia dos empréstitos hipotecarios). De consideralo abusiva, sería nula. Desta forma, o TXUE dá a razón a consumidores e consumidoras con hipotecas referenciadas ao índice IREH ao sentenciar que deben ser as e os maxistrados quen deben controlar se se comercializaron de forma abusiva, o que permitiría exixir compensar as persoas afectadas cando así sexa. O Tribunal precisa que, cando se considere que houbo abuso, un xuíz dese estado poderá substituír o IREH por outro índice legal (por exemplo, Euríbor) para protexer a consumidores e consumidoras das consecuencias prexudiciais que podería implicar a anulación do contrato de empréstito. O IREH é un índice empregado por 1,3 millóns de hipotecas no Estado español miles delas na Galiza, e cuxa legalidade estivo en dúbida desde o inicio. O Índice calcúlase tendo en conta a media dos empréstitos a tres anos concedidos polos bancos (IRPH dos bancos), segundo a oferta media das caixas de aforro (IRPH de caixas, a máis estendida) e o global de entidades (IRPH do conxunto de entidades). |
PRAZA_15677 | O líder do PSdeG anuncia un comité extraordinario no que se convocarán as primarias para elixir candidato á Xunta nun frío comité nacional no que di aspirar a obter "a confianza dos progesistas cuxa prioridade non é a autodeterminación" | O PSdeG celebrará no vindeiro mes de febreiro un comité extraordinario no que se convocarán as primarias para elixir candidato á presidencia da Xunta e onde tamén se fixará o calendario para a elaboración do programa electoral. Así o anunciou este sábado o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, nun tenso comité nacional no que non aclarou se ía presentarse ás devanditas primarias, algo que, no entanto, dáse por descontado. O PSdeG celebrará en febreiro un comité extraordinario onde se convocarán as primarias A intervención de Besteiro foi recibida con frialdade nun comité nacional onde non estiveron presentes nin o alcalde de Vigo, Abel Caballero, nin a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, nin o deputado autonómico vigués Abel Losada. O secretario xeral do PSdeG recoñeceu o mal resultado da formación nas xerais malia manter os seis deputados, xa que perdeu uns 150.000 votos, e lanzouse de novo a marcar distancias tanto co PP como con En Marea, á que volveu criticar con dureza. A porta pechada, os reproches foron importantes cara ao líder dos socialistas, tanto pola perda de apoios como polo feito de que siga a esperar unha resolución á súa imputación no caso Garañón para optar a ser candidato. Con respecto aos resultados en Galicia, Besteiro pediu "non caer na autocompracencia, cunha fenda no voto urbano e na xente máis nova". Malia todo, tan só a súa defensa do non de Pedro Sánchez á investidura de Mariano Rajoy arrincou aplausos unánimes entre o auditorio. O líder do PSdeG considera "esgotado o proxecto do Partido Popular para Galicia" e asegurou que traballará para obter "a confianza dos progresistas cuxa prioridade non é a autodeterminación" nun escenario no que "Galicia abriu definitivamente as portas do cambio". Besteiro di que traballará para obter "a confianza dos progresistas cuxa prioridade non é a autodeterminación" Aludiu así con claridade a En Marea, á que acusou de ter unha axenda oculta, e apelou a "recuperar a coherencia", o traballo e a unidade a pesar das discrepancias "para os retos" deste ano. "Temos que ser protagonistas nos gobernos de España e Galicia coa axenda social por diante e sen axendas agochadas como outros, que despois das eleccións comezaron a falar de autodeterminación e referéndums", insistiu Besteiro. "Somos a alternativa ao Partido Popular e as portas están abertas para o cambio, temos que trasladar aos cidadáns un proxecto de transformación, fronte a outras forzas emerxentes que non sabemos moi ben quen son, que van facer e con quen", engadiu. Xa por último, Besteiro cargou contra o presidente da Xunta. "Os socialistas dicimos non ao PP e non a Feijóo, que pide apoio tras a súa deslealdade institucional e ausencia de diálogo, fala de grandes coalicións pero hai quince días rexeitou todas as emendas dos socialistas aos Orzamentos da Xunta", apuntou. "Temos que traballar non próximos meses na procura de solucións para os galegos, as portas do cambio están abertas", rematou. |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.