ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
PRAZA_2392 | Os maxistrados cren "plenamente xustificada" a liberdade dos catro presuntos asasinos, malia que a policía os considera autores materiais da morte do ultra galego. A decisión engade sombras ao proceso ante o intento de pechar a instrución malia as revelacións dunha testemuña protexida | A Audiencia Provincial de Madrid vén de desestimar o recurso contra a excarceración dos catro presuntos asasinos do seareiro do Deportivo Francisco Javier Romero Taboada, Jimmy, logo de considerar que a súa posta en liberdade está "plenamente xustificada". Os maxistrados avalan a versión do xuíz instrutor Pedro Merchante, que argumenta que a policía cometeu un erro na identificación do membro dos Riazor Blues. E este erro pode ser dabondo para que o asasinato quede impune, malia a versión policial, as declaracións dunha testemuña protexida, as mensaxes intercambiadas entre membros do Frente Atlético ou as imaxes gravadas aquel 30 de novembro. A Audiencia de Madrid considera "plenamente xustificada" a liberdade dos acusados malia contradicir a versión policial Foi o cuarto xuíz encargado de levar este caso o que decretara no pasado mes de maio a liberdade dos catro membros do Frente Atlético acusados so asasinato de Jimmy. Os neonazis Ismael López, Sergio Santiago, Francisco Jiménez e José Luís Zarzoso foran enviados polo anterior maxistrado á cadea incriminados polas imaxes das cámaras de seguridade da zona e por un vídeo gravado por un taxista que presencia o momento no que os ultras golpean e lanzan o afeccionado galego ao río. As completas dilixencias da policía confirmaban os datos. Pero varios meses despois, e tras a declaración deste taxista e de dous axentes de mobilidade -e logo de que fosen filtradas estas dilixencias e mesmo datos persoais-, o xuíz decidiu liberar os acusados ante a "estupefacción" das forzas de seguridade. E fíxoo malia que esta posta en liberdade non foi solicitada por ningún dos avogados nin pola Fiscalía. A posta en liberdade dos acusados fora recibida con "estupefacción" pola policía e non fora reclamada nin pola Fiscalía nin por ningún avogado Agora os maxistrados da sección sexta da Audiencia de Madrid desestiman o recurso da Fiscalía e da LFP e consideran a liberdade "plenamente xustificada" baseándose nos testemuños dos dous axentese do taxista que gravou un vídeo no que se vería que a persoa tirada ao río primeiramente non é Jimmy senón outro seguidor deportivista. Ademais, aseguran que as circunstancias que determinaron a prisión provisional dos acusados "foron desvirtuadas por estas declaracións". Non obstante, os investigadores policiais eran claros no pasado mes de maio en declaracións a El País: "Non temos ningunha dúbida de que é Jimmy", dicían. "Pola súa complexión física delgada, pola roupa que levaba, pola súa estatura (entre 1,65 e 1,70 metros), polo pelo; mentres que o outro seareiro que caeu ao río é de complexión grande, pode medir 1,80, é calvo e no momento da súa detención levaba un xersei azul", dixeron. Pero o maxistrado puxo en dúbida a versión policial para aceptar a das testemuñas. Agora, os catro presuntos asasinos seguirán libres e non foron acusados nin tan sequera dun delito de lesións. Este mesmo luns, o xefe superior de policía, Alfonso Fernández Díez, avalou a versión policial e insistiu en que os investigadores sempre mantiveron a mesma hipóteses de traballo. De feito, afirmou que esas hipóteses foron reforzadas coa aparición de elementos de proba que xa foron trasladados ao xuíz. A policía insiste na súa versión e asegura que hai máis probas que reafirman as súas hipóteses Agora, a Audiencia volve desbotar a completa investigación policial e asegura que estas novas declaracións "teñen o valor de seren realizadas polos que foron testemuñas dos feitos, fronte á identificación que a policía efectuou dos imputados en base aos vídeos existentes nas actuacións, interpretando erroneamente que interviran na caída ao río do falecido e non na caída surida por Santiago Abarca", o outro ultra do Deportivo que foi tirado ao Manzanares. O peche da instrución Precisamente, a pasada semana Santiago Abarca acudiu a declarar na Coruña, aínda que desde Madrid non foi enviado o cuestionario, polo que o único que puido facer foi ratificar o que xa manifestara anteriormente. Foi unha polémica máis nun proceso que pode acabar cun asasinato impune, xa que as intencións do maxistrado titular do xulgado de instrución número 20 de Madrid é acabar coa instrución sen levar a cabo ningunha declaración máis nin practicar novas dilixencias. E isto malia a declaración do pasado mes de xullo -e coñecida hai algunhas semanas- dunha testemuña protexida que identificou con "nome, apelidos e alcumes" catro dos agresores do ultra deportivista. O xuíz quere rematar a instrución sen facer máis declaracións malia as revelacións dunha testemuña protexida que sinala os presuntos asasinos Tería recoñecido cando menos dous dos catro individuos que xa foran presos e logo postos en liberdade -José Luis Zarzoso e Francisco Jiménez Linares- como autores materiais da agresión a Jimmy, ademais dun menor e outra persoa, Diego Palomeque, que tamén fora detido e acusado de rifa tumultuaria. A súa versión coincide coa da policía, así como a descrición de dous destes ultras que foron postos en liberdade o pasado 21 de maio polo xuíz ao considerar que había "dúbidas máis que razoables sobre a súa participación directa nos feitos". |
NOS_26859 | Manuel Rivas opta a dous premios por dous libros distintos, ao igual que María Solar en literatura infantil e xuvenil. En canto ás editoriais, Xerais opta a 11 premios, tendo moi por detrás a Alvarellos (4), Kalandraka (3), Tambre (3) e Galaxia (2). Sermos Galiza aspira a un dos galardóns, o de Xornalismo Cultural. | A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia convocan os Premios Gala do Libro Galego 2016 co que se pretende recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galiza. As obras gañadoras, sen dotación económica, serán determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas das tres entidades convocantes. Velaquí as obras finalistas: Ensaio- Carlos Maside. Correspondencia [1928-1958]. Cartas inéditas e dispersas, María Esther Rodríguez Losada (comp.) e Anxo Tarrío Varela (edic.). Alvarellos-Consorcio de Santiago- Historia da literatura infantil e xuvenil galega, Blanca-Ana Roig (coordinadora). Xerais- No tempo de Follas Novas: unha viaxe pola literatura universal, María Pilar García Negro (edit.). Alvarellos Editora- Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, VV. AA. Apiario Narrativa- Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello. Galaxia- Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo. Xerais- Izan o da saca, de Xavier Quiroga. Xerais- ...E os domingos, un croissant, de Ursula Heinze. Alvarellos- O último día de Terranova, de Manuel Rivas. Xerais Literatura infantil e xuvenil- O home que sabía voar, de Xabier López López (ilustracións de Jacobo Muñiz). Tambre- O meu pesadelo favorito, de María Solar (ilustracións de María Lires). Galaxia- Teño uns pés perfectos, de María Solar. Kalandraka- Todos os soños, de Xavier Estévez (ilustracións de Marcos Viso). Tambre Libro ilustrado- Balea, de Federico Fernández e Germán González. Kalandraka- Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, de Xosé Cobas (texto de José Antonio Abad Varela). Kalandraka- Lendo lendas, digo versos, de Xosé Cobas (texto de Antonio G. Teijeiro e A. Reigosa). Xerais- O home que sabía voar, de Jacobo Muñiz (texto de Xabier López López). Tambre Iniciativa bibliográfica- Cociña II, de André Arzúa, (fotografía e deseño de Alberte Sánchez Regueiro). Servizos Hosteleiros Arzúa S.L.- Lendo lendas, digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa (ilustracións de Xosé Cobas). Xerais Tradución- A utilidade do inútil (Nuccio Ordine), en tradución de Carlos Acevedo, Factoría K- Astérix. O papiro do César (Goscinny, Jean-Yves Ferri [ilustracións de Uderzo e Didier Conrad]), en tradución de Xavier Senín e Isabel Soto. Xerais- Aventuras de Alicia no País das Marabillas (Lewis Carroll), en tradución de Xavier Queipo. El Patito Editorial- Mocidade (Joseph Conrad), en tradución de Alejandro Tobar. Hugin e Munin Poesía- 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Suso Díaz e Helena Villar Janeiro (coords.). Biblos Clube de Lectores- A boca da terra, de Manuel Rivas. Xerais- Abrindo fiestras en carne viva, de Carlos López. Alvarellos- Dez anos na porta. Antoloxía poética 2005-2015, VV. AA. (A Porta Verde do Sétimo Andar). A Porta Verde do Sétimo Andar- oso, mamá, si?, de María Lado. Xerais- Zonas de tránsito, de Ramón Neto. Sotelo Blanco Teatro- Raclette, de Santiago Cortegoso. Xerais- Ela, piedade dos suicidas, de Xavier Lama. Baía Edicións- Xogando con gatos, de Antón Cortizas. Xerais Iniciativa cultural ou de fomento da lectura- Culturgal- Espazo Lectura (Gondomar)- Fundación Manuel María de Estudos Galegos- Praza das Letras - Concello de Carballo Proxecto literario na rede- Caderno da crítica, de Ramón Nicolás. - Criticalia, de Armando Requeixo. - Poétic@, de Fran Alonso. Xornalismo Cultural- Diario Cultural- Montse Dopico- Sermos Galiza |
NOS_53428 | O Índice de Prezos de Consumo (IPC) continúa coa súa escalada en outubro na Galiza e dispárase un 5,7% en relación ao mesmo mes do ano anterior, por riba da media estatal (+5,4%). | O Índice de Prezos de Consumo (IPC) continúa coa súa escalada en outubro en Galicia e dispárase un 5,7% en relación ao mesmo mes do ano anterior, por riba da media estatal (+5,4%), segundo os datos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Desta maneira, a inflación galega chega a niveis de incremento que non se rexistraban desde comezos de 1992, xa que en xullo de 2008 tan só se chegou ao 5,6%, por baixo da actual cifra. A subida interanual na Galiza é a quinta maior entre comunidades, que encabeza Castela-A Mancha (+6,5%), seguida de Castela e León (+6,1%). En comparación con setembro, o incremento do IPC galego é do 1,8%. Pola súa banda, no acumulado do que vai de ano, entre xaneiro e outubro, o repunte sitúase no 5,2%. Por grupos de consumo, o maior encarecemento interanual segue provocado polo aumento do prezo a electricidade, así como do gas e gasóleo para calefacción, que se agrupan no epígrafe de vivenda (+24,2%). Séguelles o transporte (+12,5%). A máis distancia atópanse repuntes como os de hoteis, cafés e restaurantes (+2,5)%. Tan só baixan as comunicacións (-0,5%). Na comparación mensual con outubro, vestido e calzado experimentan o aumento máis acusado (+12,5). A segunda maior subida é a de vivenda (electricidade e combustíbeis) un 4,6%. No outro extremo, só baixan comunicacións (-0,7%) e medicina (-0,3%). Diminúe a calidade de vida A noticia chega un día despois de coñecerse que a calidade de vida empeorou na Galiza en 2020 en comparación con 2019, segundo a estatística experimental que publicou o INE e que se basea nun total de nove dimensións -que agrupan 55 indicadores-. Este Indicador Multidimensional de Calidade de Vida (IMCV) informou de que a Galiza baixou a 100,370 puntos en función das diferentes variábeis, menos que os 100,450 puntos do anterior ano. Ademais, atópase por baixo da media estatal (101,71 puntos), que tamén sofre un retroceso fronte aos 102,06 puntos de 2019. Desta maneira, rompe con cinco anos consecutivos de subida na Galiza, entre 2015 e 2019. A última caída neste indicador produciuse en 2014. |
NOS_36962 | Miguel Llorente deixa de adestrar o Deportivo Abanca. Por outra parte, a afección branquiazul critica que as persoas socias non teñan prioridade para adquirir as entradas para o 'play-off' de ascenso a Segunda División do equipo masculino. | O Real Club Deportivo da Coruña, coñecido no eido do fútbol feminino como Deportivo Abanca, será a única representación galega na nova Primeira RFEF, a categoría de prata estatal, logo de saír airoso dun play-out a vida ou morte contra o Real Unión de Tenerife. A Galiza non perde o tren da profesionalización do fútbol feminino grazas ao Dépor Abanca. A escuadra herculina, que militou esta tempada na categoría de prata, coñecida até o de agora como Reto Iberdrola, seguirá no mesmo chanzo do fútbol feminino estatal, que de cara á próxima campaña será moito máis potente. Isto producirase porque, dos 32 equipos que conformaban até o de agora a Reto Iberdrola, distribuídos en dous grupos, descenderon exactamente a metade, 16, polo que na 2022/23 só haberá un grupo de 16 equipos integrado por Eibar, Raio Vallecano, Español, Osasuna, Dux Logroño, Barça B, Cacereño, Granada, Juan Grande, Granadilla, AEM de Lleida, Oviedo, Alba, Athletic B, Córdoba e un Deportivo que logrou a permanencia a través dun play-out contra o conxunto tinerfeño do Real Unión, grazas a un cómodo triunfo por tres goles a un. Miguel Llorente deixa de ser o técnico branquiazul Apenas doce horas despois de asegurar sobre o céspede de Riazor a praza do Deportivo na reformada categoría de prata, o club oficializou un segredo a voces, a marcha do técnico Miguel Llorente. O Dépor rehabilita Miguel Llorente, técnico do feminino A pesar de que na rolda de prensa posterior ao choque ante o Real Unión de Tenerife o madrileño manifestou expresamente o seu desexo de seguir no cargo —"a miña idea é continuar"—, o Consello de Administración comunicoulle a primeira hora da mañá desta cuarta feira que non renovará o contrato que o unía até a presente tempada coa entidade branquiazul, desexándolle "os maiores éxitos futuros a nivel persoal e profesional. Detrás desta medida están, ademais das razóns estritamente futbolísticas -como o afundimento de xogo e resultados no último tramo do campionato-, a mácula que arrastraba Llorente desde que o pasado mes de marzo fora apartado internamente das súas funcións por "uns feitos e condutas que non incluían connotación sexual nin violencia", sendo restituído logo dunha investigación favorábel. As socias, sen prioridade para os boletos do 'play-off' Ás 13.01 horas desta cuarta feira o Deportivo da Coruña anunciou a través das súas diferentes canles nas redes sociais que a Real Federación Española de Fútbol (RFEF) poría á venda as máis de 30.000 localidades dispoñíbeis para o primeiro encontro da fase de ascenso, que enfrontará o sábado 4 de xuño o Dépor co Linares ás 18 horas da tarde. Panorámica da derradeira xornada ligueira: a Galiza queda sen pleno no 'play-off' O club puntualizou nun comunicado que para ese partido "Riazor non é o campo do Deportivo, é da RFEF como sede da promoción de ascenso a Segunda División". "Por iso, o partido non entra dentro do abono de tempada do Real Club Deportivo, e non será válido o acceso co carné en ningún caso, só se poderá acceder con boletos adquiridos en tickets.rfef.es a un prezo de 18 (fondos de Marathón e Pavillón), 22 (Preferencia Superior e Inferior) e 26 euros (Tribuna Superior e Inferior), engadiu. Inmediatamente, a afección reaccionou cualificando de "vergoñento" un sistema que "non dá prioridade ás socias", e criticou os problemas para adquirir os boletos na plataforma da RFEF unha vez que abriu a venda ao público. |
PRAZA_7091 | Tras máis de corenta vetos o presidente da Xunta asegura que comparecerá no Parlamento pero non para abordar a trama Zeta, como pide a oposición, senón para "presentar" reformas legais en materia de control de posibles prácticas corruptas. Mentres, o PP anuncia que "renderá contas da súa xestión" cun mitin de todo o Goberno. | O PP anuncia que "renderá contas da súa xestión" cun mitin de todo o Goberno en Santiago Axitado polos casos Gürtel e Bárcenas e atribulado pola forzada dimisión da ministra de Sanidade, Ana Mato, Mariano Rajoy acudiu o pasado xoves ao Congreso dos Deputados a presentar os proxectos de lei cos que, di, pretende que "quen a faga, a pague" nos casos de corrupción. A presentación desta leis chegaba despois de meses, mesmo anos, nos que a oposición nas Cortes tentou sen éxito -agás contadas excepcións- arrastrar a Rajoy ata a tribuna parlamentaria para falar, concretamente, das presuntas tramas corruptas que arrodean o seu partido e que poñen en dúbida, moi especialmente, o xeito en que se veu financiando. O Executivo central amosa este debate como a mostra de que Rajoy, ao contrario do que din o resto de partidos, si comparece para falar de corrupción. Todo semella indicar que a Xunta e o PP galego se dispoñen a executar unha operación moi semellante, no seu caso en plena treboada política pola trama Zeta de supostos falsos cursos de formación e mentres pairan as dúbidas sobre o financiamento dos populares ourensáns. Esta estratexia estase a desenvolver en, cando menos, tres actos. O primeiro foi o debate de política xeral, celebrado a comezos de outubro. Entre as propostas de resolución do debate o PP incluíu un bosquexo de medidas para "previr e erradicar" a "corrupción política" con iniciativas como a "mellora da transparencia" nos contratos públicos ou o veto ás doazóns de empresas a partidos, así como "reducir a 7 días" as campañas electorais autonómicas, a metade das demais. Nese primeiro acto o partido do Goberno logrou atraer os votos do PSdeG, se ben ese feble consenso rachou apenas unha semana despois, co estourido definitivo da Operación Zeta tras case tres anos de investigacións. Co escándalo da formación inzando os titulares chegou o segundo acto: a celebración da xuntanza do presidente co secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrada a instancias do socialista. Tras tres horas de encontro no despacho presidencial Feijóo confirmou que, cando menos polo momento, quedaba sen foto bipartita. Besteiro supeditara calquera posible acordo a que acudise previamente ao Parlamento para, nunha comparecencia a tal efecto, dar "explicacións" sobre os casos que afectan ao PP e, nomeadamente, sobre o caso Zeta. "Non se pode pedir transparencia" pero "negarse a ir ao Parlamento e querer pechar un pacto nun despacho, de costas á sociedad e ao resto de forzas", argumentou Besteiro. Ante esta resposta un irado Feijóo asegurou que se dispuña, malia todo, a impulsar un plan anticorrupción con 35 medidas. O primeiro acto da estratexia foi o debate de política xeral e o segundo, a xuntanza con Besteiro Tras os dous primeiros pactos, chegou o interludio. Ao día seguinte da recepción a Besteiro Feijóo reiteraba a súa vontade de impulsar o seu plan contra as corruptelas, a comezar polo veto ás doazóns de empresas privadas a partidos políticos, doazóns que no caso do PP suman 2 millóns de euros nos últimos catro anos e cuxa prohibición dependería, en última instancia, dunha modificación legal a nivel estatal. Do mesmo xeito, aseguraba ter a vontade de comparecer no Parlamento cando así lle fose solitado, aínda que no momento de pronunciar esas verbas o PP xa vetara a comparecencia do presidente en máis de 40 ocasións dende o inicio da lexislatura. Neste contexto, tamén poden ser consideradas parte deste interludio as dúas broncas sesións de control e as incontables declaracións coas que, nas últimas semanas, dende o gabinete de Feijóo se insiste en que a investigación da trama partiu do actual Goberno, se sementa a dúbida sobre a xestión do bipartito en relación a estas empresas e, sobre todo, se insiste na inconveniencia de aclarar a relación do xefe do Executivo co empresario que a Policía sinala como 'conseguidor' da trama, Pachi de Lucas. O simple feito de preguntalo é "rancio", "carca" e "casposo", di o vicepresidente, Alfonso Rueda. A oposición esixe unha comparecencia sobre a trama Zeta e Feijóo, como Rajoy, di que comparecerá para "presentar" unha proposta de medidas anticorrupción Con estes ingredientes e con máis tensións que explicacións Feijóo avanza o que pode ser o cuarto acto. Obviando a corentena de vetos e obviando, asemade, que non comparece á marxe das sesións obrigatorias dende o escándalo polas fotos de Marcial Dorado -a anterior vez que o fixo foi en 2010, para abordar a política económica de Zapatero-, Feijóo mantén que non ten "ningún inconveniente en seguir comparecendo", agora ben, "sobre propostas en materia de financiamento dos partidos". "Lle expuxen ao secretario xeral do PSOE en Galicia que tiña interese en comparecer sobre as modificacións legais que Galicia quere introducir no orzamento xurídico para blindar todos os controis que hoxe poden acreditar lagoas legais", explicaba o pasado xoves tras o Consello da Xunta. Feijóo, como Rajoy, culpa o PSOE de que a súa comparecencia aínda non se producise A comparecencia será, polo tanto, non sobre a trama Zeta e as súas eventuais implicacións no PP e na Xunta, senón para "presentarlle eses proxectos á Cámara". E, cando será? "O PSOE nos pediu algunhas semanas para valorar a proposta definitiva", polo que "en canto nos traslade esa decisión e a Xunta teña todo o corpo normativo, por suposto que comparecerei". Os socialistas, como o resto da oposición, seguen reclamando unha comparecencia monográfica sobre Zeta pero, segundo o presidente, estanlle "pedindo unha comparecenica e negándoa". Así as cousas, engade, o Goberno vén de lle solicitar ao Consello Consultivo un informe sobre as devanditas propostas anticorrupción. "Cando o Consultivo me traslade ese borrador, eu comparecerei", resolve. |
NOS_30512 | As Irmandades da Fala agromaron case simultaneamente na Galiza e nas comunidades latinoamericanas de migrantes galegos. A partir desta tese reflexionará o congreso Nacionalismo galego e diáspora (1916-1936), organizado polo Consello da Cultura Galega o 4 e o 5 de outubro. | "Na Habana, Bos Aires e Montevideo, ou de xeito puntual en lugares como Antofagasta ou Chaco, grupos de emigrantes identificáronse con novos postulados políticos defendidos polas Irmandades da Fala", expón a organización do encontro, "estaban vencellados aos grupos rexionalistas e de apoio á cultura galega que xurdiran con anterioridade, así como ás sociedades mutualistas ou de instrución". Pouco tempo despois -a fundación das Irmandades en Galiza data de 1916-, migrantes acabados de chegar ás Américas "serviron tamén de propagandistas e convertéronse en líderes do galeguismo". Entre eles, o escritor Eduardo Blanco-Amor ou o comerciante Ramiro Illa Couto. Aquelas sociedades de alén mar, en que convivían agraristas, socialistas e republicanos, funcionaron como chan fértil para o galeguismo. Nos 20 anos que van das primeiras Irmandades ao golpe fascista de Franco no Estado, o galeguismo adoptou, na outra beira do Atlántico, "unha dinámica autónoma". "A un rápido crecemento e devalo en Cuba contrapúxose a progresiva influencia dos galegusitas de Bos Aires no tecido societario inmigrante", explica o díptico do congreso. Ademais, continúa, foi un movemento político exposto a "estímulos ideolóxicos diferentes" da Galiza metropolitana e "interactuou cos imaxinarios nacionais das sociedades de recepción". Coordinadas polos catedráticos Xosé Manoel Núñez Seixas e Ramón Villares, que se refiren a este galeguismo da diáspora como "unha variante específica dos diversos casos de nacionalismos europeos", nas xornadas achegarán conferencias e relatorios expertos como Sergio Miceli da Universidade São Paulo -Os intelectuais do Brasil no século XX: estrangeirados e nativistas-, Pilar Cagiao da Universidade de Santiago -O galeguismo no Uruguai-, Emilio Xosé Insua -A pegada cubana nas Irmandades da Fala- ou Matteo Sanfilippo, da Universidade da Tuscia, en Italia -Migrazioni e política. |
NOS_53437 | Lonxe de retroceder, a conflitividade na sanidade pública galega non deixa de medrar. Dez anos de retalladas e reorientación neoliberal do servizo estálanlle a Feixoo. O comité de folga das Urxencias do Hospital de Santiago, que a pasada cuarta feira xuntou milleiros de cidadáns en manifestación, vén de remitir 10.000 sinaturas de apoio ao conselleiro do ramo. | Urxencias mantén unha folga indefinida dende o pasado mes de novembro. Os profesionais reclaman máis medios e condicións laborais dignas. Até o punto de que o propio comité de folga considera o 100% de servizos mínimos decretados pola Xunta para a protesta de "insuficientes, como demostran os continuos reforzos". Na misiva que entregaron esta sexta feira no rexistro da Consellaría de Sanidade -que dirixie Jesús Vázquez Almuiña- os membros do comité de greve lamentan "a pasividade das distintas xerencias" da área sanitaria. As máis de 10.000 sinaturas "amosan que a cidadanía está concienciada e apoian as reivindicacións dos traballadores". As multitudinarias marchas de protesta de Vigo en decembro e de Compostela en xaneiro así o demostran. O escrito denuncia "o grave estado de deterioro do servizo debido a deficiencias a nivel de organización e de dotación de recursos" e sinala carencias de persoal e de materiais, ademais dunha carga asistencial inasumíbel en que as traballadoras e traballadores sofren "un ritmo estresante e inseguro". Esta mesma sexta feira transcendía no Parlamento de Galiza que a Fiscalía investiga a morte de dous pacientes en Urxencias do hospital compostelán. "Estas carencias provocan situacións lamentábeis que fan imposíbel salvagardar dereitos fundamentais dos usuarios", indica a carta, que tamén crítica que a consellaría non atenda as demandas dos profesionais. E, porén, despois de dez anos de políticas de redución da sanidade pública galega e de periódicas vagas de protesta profesional e cidadá, o Goberno de Feixoo asume que existen graves problemas. Curiosamente agora convoca "grupos de traballos para a reforma sanitaria", cando esta está en marcha, e con orientación neoliberal e privatizadora, desde que, en 2009, asumiu a presidencia da Xunta. |
NOS_49941 | A Consellaría de Educación desenténdese da problemática na que se atopa un total de 34 investigadoras e investigadores de alto nivel das tres universidades galegas que veñen de ficar no desemprego por unha erro de previsión da propia Xunta de Galiza nos tempos de publicación e resolución da nova convocatoria de axudas posdoutorais. | Até 34 investigadoras e investigadores posdoutourais contratados polas tres universidades galegas a través do programa da Xunta I2C ficaron no paro o pasado domingo 20 de xuño e sen posibilidades de saber que vai ser delas e deles. A causa atópase nun erro de previsión da Xunta de Galiza á hora de facilitar o seu tránsito entre a Modalidade A e a Modalidade B deste programa. Desde a Xunta lavaron as mans a pesar da súa responsabilidade e instaron o colectivo afectado a pedir solución ás tres universidades Unha delegación do grupo de investigadoras e investigadores afectados reuníronse hoxe na Consellaría de Educación en San Caetano para tentar paliar o agravio, mais desde a Xunta lavaron as mans a pesar da súa responsabilidade e instaron o colectivo afectado a pedir solución ás tres universidades, tal e como informou un dos investigadores afectados, Anxo Mena, da Universidade de Vigo, en declaracións a Sermos Galiza. A Xunta retrasou este ano a convocatoria para pasar dunha modalidade a outra (a denominada como modalidade A conta con tres anos de contrato e após unha avaliación pódese acceder á modalidade B para poder seguir investigando durante dous anos máis). Até este ano non había moitos días entre o fin dunha modalidade e o comezo da seguinte e, moitas veces até chegaban a solaparse. Porén, tal e como informou a semana pasada Sermos Galiza, co retraso na convocatoria B deste ano estas 34 persoas investigadoras que remataron o seu contrato A o domingo 30 de xuño non saberán se van entrar na seguinte modalidade como mínimo até o 15 de novembro. Isto implica que ficarán no desemprego durante máis de 5 meses sen nin sequera saber se van contar cun contrato após ese tempo. O programa da Xunta I2C é o de maior relevancia para a captación de talento científico na Galiza e ten neste ano 2019 un orzamento de 8,5 millóns de euros (medio millón menos que en 2018). A nova convocatoria deste programa apareceu publicada no DOG do día 13 de xuño de 2019 e prevé a sinatura de 21 novos contratos da modalidade B o 1 de decembro de 2019. Até entón estas 34 persoas ficarán no desemprego sen poder continuar coas súas respectivas investigacións durante ese tempo, no que tampouco poderán acceder aos seus centros de traballo nin dar clases no primeiro semestre do vindeiro curso, cousa que afectará negativamente á carga docente dos departamentos nos graos e masters. As e os 34 científicos de alto nivel afectados completaron a súa formación durante dous anos nos mellores centros de investigación do mundo financiados pola Xunta de Galiza grazas á modalidade A. O programa penaliza investigadores e investigadoras que soliciten baixas por maternidade ou paternidade Este ano a convocatoria ademais de prexudicar estas persoas é claramente discriminatoria. As investigadoras e investigadores que estean en situación de baixa de maternidade ou paternidade terán que agardar até a próxima convocatoria do programa para que o seu traballo na modalidade A sexa avaliado, sen poder presentarse por tanto neste ano 2019 á convocatoria da modalidade B (precisan ser avaliadas da A previamente). As investigadoras e investigadores que estean en situación de baixa de maternidade ou paternidade terán que agardar até a próxima convocatoria Esta situación discriminatoria afecta, en concreto, a tres investigadoras que solicitaron baixas por maternidade: María Alonso Alonso (UVigo), Susana Cid Fernández (USC) e Inés Viana González (UVigo) e ao investigador que solicitou unha baixa por paternidade Anxo Mena Rodríguez (UVigo). Ademais, outra investigadora, Vanessa Valdiglesias García (UDC), decidiu renunciar á baixa por maternidade que lle correspondía legalmente por ser nai en 2018 para non perder a oportunidade de ser avaliada este ano e poder presentarse á convocatoria de 2019. As e os 34 investigadores afectados son: Da USC: o Dr. José Balsa Barreiro, a Dra. Rebeca Blanco Rotea, a Dra. Patricia Calvo González, a Dra. Susana Cid Fernández, o Dr. Eudald Cortina Orero, o Dr. José M. Costa García, o Dr. Javier Dubert Pérez, a Dra. Nuria Ferreiro Domínguez, o Dr. Alfonso Iglesias Amorín, a Dra. Elena Lendoiro Belío, o Dr. Iván López Moreira, a Dra. Cristiana Filipa Cazapal Monteiro, o Dr. Adrián Regos Sanz, a Dra. Mar Sobral, o Dr. José Suárez Otero, o Dr. José Manuel Costa García, a Dra. Zulema Varela Río e o Dr. Iván Villarmea Álvarez. Da Uvigo: a Dra. María Alonso Alonso, a Dra. María Salomé Álvarez Álvarez, a Dra. Lucía Díaz Vilariño, a Dra. María Figueiredo González, a Dra. Ángela Fontán Bouzas, o Dr. Alejandro Gómez Yepes, o Dr. Hugo López Fernández, a Dra. Marta Marín Luna, o Dr. Anxo Mena Rodríguez, o Dr. Alfonso Pita Bugallo, a Dra. Patricia Reboredo Rodríguez e a Dra. Inés Viana González. Da UDC: a Dra. Teresa Martínez Cortés, o Dr. Haris Nalakath Abubackar, a Dra. Eva Parga Dans, a Dra. Vanessa Valdiglesias García e o Dr. Javier Veloso Freire. |
NOS_35405 | "O Mendigo e outros contos" editado pela Assírio & Alvim recolhe cinco contos inéditos de Fernando Pessoa, para além doutros relatos publicados em Portugal pela revista do Centro Cultural do Alto Minho, mas agora reúnem-se por vez primeira em livro. | Os contos inéditos de Fernando Pessoa agora publicados titulam-se "O Filatelista", "Empresa Fornecedora de Mitos", "A Perversão do Longe", "O Mendigo" e "Num Bar de Londres". O livro conta com uma introduçâo da professora Ana Maria Freitas, especialista no espólio do escritor. É a primeira vez que se publica un conjunto de contos de Pessoa em Portugal. Ana Maria Freitas afirma na introdução que "o leitor vai deparar-se com pequenas narrativas centradas numa ideia ou conceito: questões filosóficas, hipóteses metafísicas, observações sobre a sociedade do seu tempo, temas da tradição esotérica". |
PRAZA_10528 | Tras lograren por primeira vez ser a forza máis votada en Galicia os socialistas vense a si mesmos "en condicións" de encabezar unha alternativa de Goberno; así o expuxeron este sábado na súa Escola de Formación 'Ceferino Díaz' | O verán de 2019 en Galicia arrecende a precampaña. Non é -agás sorpresa- un verán estritamente preelectoral, porque agás que Alberto Núñez Feijóo decida o contrario, o electorado galego non será convocado ás urnas para renovar o Parlamento ata 2020. Pero os resultados das eleccións xerais, europeas e municipais, co PP perdendo a condición de forza máis votada nas dúas primeiras e ficando no empate técnico nas terceiras, deixaron definitivamente lanzada unha longa precampaña na que a esquerda, moi especialmente o PSdeG, ve un eventual cambio na Xunta máis preto ca nunca nos últimos dez anos.Tras lograren por primeira vez ser a forza máis votada en Galicia os socialistas vense a si mesmos con posibilidades de encabezar unha alternativa de Goberno; así o expuxeron este sábado na súa Escola de Formación 'Ceferino Díaz'O feito de lograren por primeira vez ser a forza máis votada en Galicia e, ao tempo, a crise no espazo político ocupado nos últimos anos por En Marea provocou que sexan os socialistas os que se vexan a si mesmos con máis posibilidades de encabezar unha alternativa de Goberno pola esquerda unha década despois. Así o está a tentar a facer ver dende o 28A o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, que este sábado reuniu a cúpula do partido na Escola de Formación Ceferino Díaz, o órgano creado en 2017 co nome do histórico dirixente falecido en 2012 que desta volta se celebrou baixo o lema Gobernos para o progreso.O alcalde de Vigo, Abel Caballero, os ex-presidentes Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño ou a presidenta do PSOE, Cristina Narbona, foron algúns dos cargos presentes nun foro con relatorios sobre materias como cambio climático, cultura ou o futuro da socialdemocracia en Europa. "Aquí -sinalou o secretario xeral- estamos establecendo a semente para unha Galicia mellor", para "dar resposta aos galegos que queren un futuro disitnto" mediante un cambio de Goberno que os socialistas, augura, terán a "responsabilidade" de liderar."Temos ideas, capacidades e equipos para poñer en marcha" un proxecto, que, alenta, debe ser contraposto ao do PP de Feijóo, a quen atribúe que Galicia "vaia a peor". Isto sucede, considera, pola "mestura de asfixia intelectual e inacción política" na que tornou o gabinete dos conservadores, ao que ve xa sen "rumbo" nin "estratexia". Apenas "limitado", considera, a que "os poderes públicos" sigan "ao servizo da imaxe" do propio presidente malia os últimos "tres suspensos" nas urnas, en referencia aos comicios de abril e maio.Gonzalo Caballero: "Estamos en condicións de darlle a Galicia o mellor goberno, cun proxecto para o conxunto do país que aposte polos servizos públicos"As xerais, europeas e municipais, coida Caballero, "fixeron emerxer un tempo novo" e amosaron ás claras a "maioría social de esquerdas" existente en Galicia. Por iso "somos o futuro para a maioría", a "casa común do progresismo" que "recolla a herdanza dos mellores presidentes", dixo en referencia a Laxe e Touriño. "Estamos -afirmou- en condicións de darlle a Galicia o mellor goberno" cun "proxecto para o conxunto do país" que "aposte polos servizos públicos" e no que "todos poidan estar cómodos".A tese do esgotamento do ciclo de Feijóo secundouna tamén o alcalde vigués. "O esgotamento do proxecto político de Feijóo" é tan "visible" como a "necesidade de cambio" na Xunta, coida. Neste sentido, varios das persoas que interviron como relatoras na xornada conectaron a posibilidade de cambio en Galicia coa necesidade de que Pedro Sánchez poida ser investido canto antes outra volta como presidente do Goberno de España. Nese sentido, Narbona asegura que malia ás súas asistencias a cumios internacionais nas últimas semanas, Sánchez "non parou un minuto de traballar por un goberno progresista". |
NOS_55099 | O presidente da Xunta rexeita demandar a Madrid a transferencia de competencias para evitar unha nova catástrofe ecolóxica coma a do Prestige mentres o BNG denuncia que "Galiza continúa igual de desprotexida" que hai 11 anos. | Alberto Núñez Feijóo pediu esta cuarta feira ao portavoz parlamentar do BNG non pór en cuestión "a soberanía española" após demandarlle Francisco Jorquera que reclamase a Madrid a transferencia de competencias marítimas. En resposta ao voceiro nacionalista, Feijóo acusou a organización frontista de ser pouco demócrata por denunciar "a impunidade" da sentenza ditada pola Audiencia provincial en relación coa catástrofe do Prestige. Francisco Jorquera lembrou ao presidente da Xunta que Galiza non conta nen "con buques anti-contaminación", embora sexa o segundo país do mundo "após Sudáfrica" onde máis mareas negras se producen. "Sabe que aconteceu co único que tiña? Foi vendido para ser gasolineira flotante en Ferrol", sinalou o voceiro do Bloque. Sen capacidade de decisión após 11 anos Para a organización frontista, Galiza "continúa igual de indefensa" e "desprotexida" que hai 11 anos, unha realidade que apoñen a que as competencias en materia de seguridade e salvamento marítimo se residencian en Madrid. "É a consecuencia de gobernar de costas ao noso país, desde a Meseta" e de que "o noso mar", advertiu, "dependa de Madrid". Mais para Alberto Núñez Feijóo "as costas españolas gobérnaas España" e o contrario, dixo, é pór en cuestión a súa "soberanía". Neste senso, o líder do executivo galego declinou posicionarse a respeito das demandas do BNG que exixe sexan transferidas as competencias en materia marítima ao goberno galego [esta terza feira, nen PP nen PSOE deron o seu apoio a unha proposta do BNG para que fosen transferidas]. Jorquera: "Galiza continúa igual de indefensa e desprotexida que hai 11 anos como consecuencia de que o noso mar dependa de Madrid" Para @s nacionalistas, a falta de capacidade de decisión influíu de maneira directa nas dramáticas consecuencias da catástrofe do Prestige. Unha catástrofe --a máis grave das producidas en Europa nas últimas décadas-- que fica sen xulgar para a organización frontista. Desde o BNG aseguran que a sentenza ditada pola Audiencia provincial da Coruña é propia dunha "monarquía bananeira" e deixa sen xulgar "os responsábeis políticos" do acontecido, entre eles o actual presidente do Goberno español, Mariano Rajoy e o ex-ministro, Francisco Álvarez Cascos. "Contaminar Galiza sae debalde" "Cre que hai xustiza no Estado español?", inquiriu Francisco Jorquera. O parlamentar nacionalista botou man da xurisprudencia sentada polos poderes xudiciais doutros Estados, con sentenzas en que si se determinaron responsabilidades. Entre elas, a de Ecuador onde o Estado condenou a petroleira Chevron a pagar unha indemnización de 9 mil millóns de dólares polos danos causados na selva do Amazonas. Entrementres, afirmou Jorquera, "Galiza sofre unha nova humillación" cunha sentenza que, dixo, "lanza unha mensaxe de impunidade, contaminar Galiza sae debalde". Pola súa banda, o presidente da Xunta recuncou na estratexia que está a desenvolver o seu goberno desde que se deu a coñecer o fallo xudicial e asegurou que se sente tan "indignado" polo contido da sentenza "como o pobo galego, o asturiano, o cántabro, o basco e Franza". Mais amosouse certo de que a responsabilidade da catástrofe non é política, senón "da armadora, a aseguradora e a clasificadora", esa --ABS-- que o goberno desimputou. Mais para o BNG "o único que pretenden con Mangouras" --único condenado pola catástrofe-- "é que sexa un cabeza de turco, por certo", acrecentou, "igual que en Angrois". |
NOS_4267 | Mabel Rivera (Ferrol, 1952) forma parte da xeración que ergueu o sistema teatral, o noso audiovisual e a profesionalización da cultura. É unha pioneira e coñece ben o sentido contraditorio dos legados. Ao cabo, abrir camiños é pelexar para que outros transiten por eles, pero sen que sigan necesariamente os teus pasos. Por iso, Rivera asegura que pode chegar un punto en que "ser pioneira case é ser obsoleta". Malia esa concesión fronte á voracidade do tempo, a actriz segue a traballar sen perder de vista que a idade non é unha barreira infranqueábel, senón só outra fronteira que traspasar. | Vén de facer setenta anos, como se atopa? Pois a verdade: eu non mos boto. Por unha banda, fisicamente atópome mellor ca noutras temporadas. E pola outra, van saíndo proxectos. Algún xa está en marcha. Estou a piques de comezar a rodaxe dunha película que me resulta moi interesante tanto pola historia coma pola estrutura da produción. Refírome a que a dirección, o guión e a produción recaen en mulleres. Non quero adiantar moito máis, pero engadirei que fago dunha avoa e penso que un papel como o que vou interpretar, sen que houbese mulleres neses postos, sería moi difícil que aparecese na pantalla. En máis dunha ocasión escoiteille a vostede e tamén a Rosa Álvarez o seguinte: "Antes pintábannos as canas e agora que as temos, xa non nos chaman". Como inflúe a idade na traxectoria das actrices? Pois a idade déixate moi quieta, parada. Chegas a unha idade e do mesmo xeito que che vai colgando a pel no pescozo, vas quedando descolgada do traballo. Poucas veces interesou ver nunha pantalla un papel dunha muller maior. Insisto que se este papel existe é por un motivo ben claro: hai mulleres nos postos de decisión. Antes este tipo de historias, de sensibilidades, de papeis case que non se contaban. Desde hai uns anos, hai traballos de mulleres absolutamente marabillosos que chegan ao público. E hai que pensar que vinte anos atrás non sería posíbel. E logo está o contraste cos nosos compañeiros. Hai homes da nosa idade que non paran de choiar. Como tantas outras cousas, tantos conflitos que houbo que enfrontar e que houbo que visibilizar, hai outro teito de cristal: a idade. Porque segue a suceder que para representar unha muller de setenta, contratan unha actriz de 50 e póñenlle engurras. E nós, na casa. Escoitamos moitas veces que até hai ben pouco nas salas de guionistas sentaban tan só homes. A ausencia de mulleres pasou demasiado tempo desapercibida? Cando se fixo realmente palpábel esa ausencia? Xa non falaría só de ausencias absolutas, senón tamén da fenda. Había departamentos feminizados de sempre: maquillaxe, peiteado, vestiario... Pola contra, as partes técnicas e mecánicas eran, como a dirección ou o guión, feudos masculinos. A cousa agora está mesturada e está máis equilibrada. Lembro o contraste que experimentei durante a rodaxe dunha curta en Francia, hai un tempo. O equipo eléctrico, o de cámara e o de iluminación estaban conformados por mulleres, por mulleres novas. Agora ben, o conto cambiaba se te fixabas e mirabas as xefaturas: os xefes seguían a ser homes. É dicir, hai que ver os avances que houbo na horizontalidade, pero tamén hai que mirar as xerarquías. E cando miras ben, aí a cousa non mudou tanto. Pero en calquera caso, o que tal avanzamos e o que tal queda por avanzar. O teatro avanzou máis axiña que o audiovisual? Estou a pensar na compañía Teatro do Malbarate, que fundou vostede xunto a Rosa Álvarez e Marisa Soto. Sabes cal foi un dos grandes problemas que tivemos con Malbarate? Atopar textos escritos por mulleres e con protagonismo de mulleres. Non resultaba nada sinxelo. De feito comezamos cun primeiro espectáculo, Xogo de Damas, que era un texto de Rei Ballesteros escrito por encarga. Encargámosllo para termos un texto con personaxes para nós. En moitas ocasións, fálannos do carácter pioneiro de Malbarate e lembro que tamén daquela nos preguntaban moito como era iso de tres mulleres montando unha compañía. E aí o contraste tamén resultaba curioso, porque estaban compañías como O Moucho Clerc, que eran todos tíos e ninguén se abraiaba. Naquela altura, tiñamos unha especie de chanza: nós diciamos que eramos a matronal e eles, a patronal. Agora xa hai máis compañías formadas por mulleres. Por exemplo, A Panadaría. Cáenme estupendamente. Son moi lindas e moi entregadas. Gústanme moito. Pero naquela altura, unha compañía constituída por tres actrices parecía algo inaudito. Non eramos moi conscientes, a verdade... É desas cousas que nin te decatas cando o estás a facer, pero coas que en realidade estás a visibilizar unhas determinadas cuestións. Se non me trabuco, ningunha de vostedes chegou a asumir a dirección de espectáculos. Rosa Álvarez, posteriormente, si que dirixiu obras con Lagarta Lagarta, mais non en Malbarate. Non demos ese paso. Nós, nesa altura, tiñamos claro que eramos actrices. Punto. Nin máis nin menos. E esa decisión de sermos só actrices para a compañía xerounos outro atranco importante: estabamos as tres un tanto igualadas. Non tanto en perfil profesional, pero si en idade. De verdade, encontrar cousas para as tres resultaba moi difícil. Non había ou non atopabamos obras con tres papeis con peso para mulleres tan parellas. A verdade, todo iso pode que fixese que a experiencia de Malbarate durase pouco, tan só oito anos. A súa última incursión no teatro foi co Centro Dramático Galego cunha obra que puxo o foco, precisamente, na idade. Falamos de Terceiro acto. Como foi a experiencia? Por unha vez, a idade xogaba a favor para un traballo. O título fai referencia ao terceiro acto da vida, da vida laboral e á terceira parte dunha peza de teatro desde o punto de vista clásico. Estabamos no elenco por motivos de idade. Por outra banda, hei de dicir unha cuestión sobre o Centro Dramático Galego: non son partidaria do sistema que se está a empregar e que xa está completamente consolidado para facer os seus elencos. Refírese aos concursos públicos que se veñen desenvolvendo desde 2016 e case sempre arrodeados de atrancos? Si. Pregúntome desde hai anos por que os actores e as actrices conforman o único estamento que está sometido a concurso público. A dirección dos espectáculos do Centro Dramático Galego escóllese de forma unilateral, pero logo chegamos nós, actores e actrices, e temos que mostrarnos interesadísimos nun proxecto que descoñecemos e temos que someternos a unhas probas cunhas normas concretas para optar ao papel mentres que noutros oficios da produción teatral non fan falla esas probas. E todo por que? En prol de que? Da transparencia? Que sucede? Eu son opaca, pero a dirección é sempre transparente? Sucede que o Centro Dramático Galego forma parte da administración pública e que a dirección pode encargarse por contrato menor. Pola contra, os actores e as actrices deben ser contratos por conta allea segundo se indica no convenio. Pero vouche contar un caso que me sucedeu a min. O Centro Dramático Nacional chamoume nunha determinada ocasión para falar cun director. O director dun espectáculo mostrouse interesado e contactou comigo. Que acontece? O Centro Dramático Nacional non é público? Non é transparente? A min chamáronme, pasáronme un guión, tiven entrevistas en Madrid coa dirección e coa produción. Despois non me chamaron nin para dicirme que non nin que talvez noutra ocasión e que non diría que iso foi unha grosería, pero esa é outra historia... O caso é que estamos a falar dun teatro público, que eu non fun á procura deles e que un director que non me coñecía de nada chamoume para vérmonos. E no caso da Galiza, que acontece? Os directores e as directoras de aquí non me coñecen? Non coñecen os actores e as actrices de sobra? A verdade, coñécennos e diría máis: teñen a obriga de coñecernos a quen estamos no panorama. Por iso non ten sentido que teñamos que poñernos nunha lista e solicitar que nos vexan nun proceso que, en moitos casos, acabamos por estar para facer vulto. No caso de Terceiro Acto, vostede formou parte do taller inicial de selección que viña sendo un concurso público. No caso de Terceiro Acto, sucedeu o seguinte. Houbera unha convocatoria e un prazo de inscrición. A min non se me ocorreu anotarme e quedei sorprendida cando nun determinado momento, un venres a última hora da tarde, chamáronme do Centro Dramático Galego porque as directoras tiñan interese en que participase, en poder verme. O interese aquí estaba na dirección, que coñecía o proxecto e púxose en contacto comigo porque querían verme a ver se funcionaba. Eu non me nego a participar nunha proba así: se un director ou directora quere verme, non lle direi que non. O que non podo facer é acudir a unha convocatoria para un proxecto que descoñezo por completo. E ollo, que este sistema polo que eu aposto, realmente, vai na miña contra. Porque os directores e directoras levan anos, polo xeral, sen chamarme para participar en elencos nas súas compañías privadas. Belén Constenla recibiu este ano o Premio María Casares á mellor actriz protagonista por Terceiro Acto. Ao recollelo, aproveitou a ocasión para afearlle ao Centro Dramático Galego a contratación do elenco: ningún dos cinco actores e actrices cobrou como protagonista. Eu non estaba na gala, pero chegoume o comentario que Belén fixo a este respecto. Eu creo que os premios deben asignarse pola categoría laboral pola que cobraches. Eu non fun protagonista. Pregúntome a santo de que, no momento en que o Centro Dramático fixo a inscrición para concorrer aos premios, se nos subiu de categoría. Esta pregunta fíxenlla ao director do Centro Dramático Galego. Non houbo moita resposta convincente. Se seguimos co Centro Dramático Galego, vostede formou parte do elenco da segunda obra que estreou en 1984, o seu ano fundacional: Agasallo de sombras, de Roberto Vidal Bolaño. Tamén foi fundadora da Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG) e forma parte da xeración pioneira que profesionalizou o noso teatro. Con toda esta traxectoria, pódenos dicir de onde vimos e en que situación nos atopamos? Vimos do nada máis absoluto. E agora estamos nun momento... A ver como o digo.... Eu síntome no seguinte punto: ser pioneira case quere dicir que estás obsoleta. O cambio foi brutal, tan brutal que agora mesmo síntome situada nun lugar case alleo, diría que me identifico máis como simple espectadora. Creo que houbo unha remuda xeracional e que o relevo está tomado. Como espectadora direi entón que vexo un feixe de cousas que non sei que me pretenden contar. Creo que o afán está no como contar máis que no contar. Hai cuestións moi estéticas, ás veces moi performativas, ás veces máis ou menos modernas, pero que non me comunican. Por iso digo que son obsoleta. No meu caso, boto de menos cousas que me mobilicen desde o teatro. Volvamos a cine. A súa anterior participación foi na película María Solinha. Desa fita sempre me sorprendeu o potente elenco que ten, con grandes nomes, con pesos pesados, profesionais ben curtidos. O resultado estivo á altura do esperábel? Eu vouche dicir unha cousa: a min ese proxecto pareceume moi interesante de entrada polo que se quería contar. Despois, coma sempre, cada espectador percibe as cousas dunha maneira concreta. Eu o que si penso é que o asunto que se quería contar tiña interese e tiña tanta complexidade que se cadra non facía falla enlear tanto as cousas. Creo que se pretendeu contar cousas en exceso. Teño a sensación de que se mesturaron moitas cousas. Sobre a participación, no meu caso, pois digamos que as propostas que recibo, en canto a presenza e polo xeral, non son moito máis ca iso. Estou afeita a non ter unha presenza moi alá. Tamén me sorprendeu que non se publicase ningunha crítica clara sobre esta película. En termos xerais, dá a sensación de que non se atopan críticas de verdade. Non me refiro tan só a este caso nin ao cine nin á escena en particular, senón a todo o noso sistema cultural. Falta crítica? E autocrítica? Non hai crítica de nada e tampouco eu me refiro a un produto nin nun sector en concreto. Falo en xeral. Cada vez hai menos espazos para exercer unha crítica obxectiva. E perdón pola redundancia, porque unha crítica non a concibo sen obxectividade. Iso parece un pouco unha contradición: crítica e obxectividade non son termos que casen ben. Refírome a que, se nos fixamos un pouco, as críticas son todas con certa parte interesada. Para facer crítica, ti tes que tomar unha distancia e facer unha valoración con criterios obxectivos sen pensar que quen produce unha peza ou quen o fai un papel é un colega ao que se cadra non che convén ofender. Eu non vexo espazos críticos desa natureza. Queda a erregueté, a Revista Galega de Teatro, pero francamente: pecan xustamente de todo isto. Síntoo moito, pero non exercen a crítica, son parte interesada. Punto. Xa non hai quen tome esas distancias. Por outra banda, as críticas doen. Claro, que doen. Porque estás moi exposta no teu traballo. Pero para iso estamos e cómpre tomar nota delas. A crítica axuda a avanzar e ten un valor, pero xa non existe. Alguén me dixo hai pouco que puxera a televisión e vira Pratos combinados outra vez. Así en xeral, que tal a TVG? Non sei, non a vexo. Pois vostede foi un rostro moi coñecido grazas á TVG. E sigo sendo, que seguen a emitir Pratos combinados! [Pausa] Se falamos da TVG, hei de dicir que había tempo que non producían unha serie e agora que volveron poñer unha, pois dixen "vou tentar ver isto". A verdade, paréceme terríbel que a estas alturas se estean a facer cousas dese tipo. E o resto da programación, pois a verdade... Que vou dicir? Todo tenta ser festa, programas de humor ou coar alguén contando chistes de calquera maneira en todos os programas. É pura frivolidade, rebaixa de calidade nos contidos, silencios, unha escaseza de nivel de comunicación, non se conta o que se ten que contar... É terrorífico. Coñezo cantidade de xente que me di o mesmo: "Eu non a vexo a TVG". Pero despois, dáse o caso inverso. Hai outra tanta xente que me di o contrario. E que engaden: "Vinte o outro día con Miriño!" Mire, señor ou señora: eses compañeiros xa non están. Eu, de certo xeito, tampouco estou. Eu xa non son esa. Non fan máis que repoñer e repoñer Pratos, paréceme brutal. Temos dereito a transitar por unha profesión e non ser reducidos a un personaxe. |
PRAZA_6789 | O proxecto europeo ICT-Go-Girls!, dirixido polo CESGA en colaboración coa USC e institucións doutros cinco países, presentou unha guía para axudar os mestres e mestras a orientar as rapazas e facilitar o seu achegamento aos estudos técnicos e científicos. | O proxecto europeo ICT-Go-Girls!, dirixido polo CESGA en colaboración coa USC e institucións doutros cinco países, busca promover entre as estudantes de ensino secundario o estudo de carreiras cientifico-técnicas, animando o seu empoderamento, capacidade de emprendemento e liderado, e loitando contra a minoritaria presenza de mulleres nas facultades de Informática ou nos departamentos de tecnoloxía das empresas. O proxecto celebrou a súa Conferencia Final o pasado 15 de outubro en Amberes (Bélxica). Alí presentou as súas conclusións e, ademais, unha guía para axudar os mestres e mestras a orientar as rapazas e facilitar o seu achegamento aos estudos técnicos e científicos. María José Rodríguez Malmierca, coordinadora do proxecto, destacaba en entrevista con Praza hai unhas semanas que nalgúns ámbitos o problema non está en que as mulleres "non estuden ciencias ou carreiras científicas e técnicas", senón en que "despois non destacan nelas, ocupan un papel secundario". "E estas cuestións hai que abordalas xusto cando se inicia secundaria, dependendo do país en Europa, entre os 11 e os 14 anos", engadía. Tan só un dato: dende que en 1963 Maria Goeppert Mayer obtivo o Premio Nobel de Física ningunha outra muller recibiu este recoñecemento (que previamente só tivo Marie Curie). O manual subliña que "a sensibilización acerca das profesións relacionadas coas TIC e o emprendemento é un paso fundamental para promover o emprego feminino" e lembra que "os traballos relacionados co sector TIC volveranse cada vez máis importantes no futuro". Tamén destaca que "as rapazas poden aprender moi cedo a maneira de avaliar as súas fortalezas e habilidades tecnolóxicas e a buscar información, comunicarse e negociar coas persoas desde un posicionamento de liderado". O texto é tan só un instrumento máis, recoñecendo que se "necesitan iniciativas máis fondas e sostida no tempo para acadar un público máis amplo nas escolas europeas e influír para integrar real e eficazmente as TIC no currículo e facilitar o proceso de toma de decisión das mozas". A situación actual O texto é tan só un instrumento máis, recoñecendo que se "necesitan iniciativas máis fondas e sostida no tempo para acadar un público máis amplo nas escolas europeas e influír para integrar real e eficazmente as TIC no currículo A guía parte da situación actual, na que atopamos certos indicadores moi negativos. Segundo datos de 2013, de cada 1.000 graduadas en Europa, sólo 29 mulleres teñen un título relacionado coas TIC, fronte a 95 homes. De igual maneira, a pesar de que as mulleres ocupan máis do 60 por cento dos empregos relacionados coas TIC nos países da OCDE, só entre o 10 e o 20 por cento son programadoras, enxeñeiras, analistas de sistemas ou deseñadoras. A maioría das mulleres neste sector traballan en postos de secretaría, procesamento de textos ou de entrada de datos, é dicir, postos que requiren habilidades de baixo nivel ou de formación técnica limitadas. En Galicia os datos son aínda máis negativos: Dúas de cada tres persoas empregadas nas empresas TIC de Galicia son homes (62,5%). A realidade é moito peor no que respecta aos postos directivos: a porcentaxe de empresas que conta con mulleres na súa dirección é de só o 18%. Esta fenda esténdese cara á universidade e as carreiras tecnolóxicas, onde apenas unha de cada cinco licenciadas é muller, unha realidade que lonxe de mudar cara a unha progresiva igualdade, semella estancarse e nalgúns casos mesmo dar pasos atrás. Nas carreiras tecnolóxicas apenas unha de cada cinco licenciadas é muller, unha realidade que lonxe de mudar cara a unha progresiva igualdade, semella estancarse e nalgúns casos mesmo dar pasos atrás Unha información difundida recentemente pola emisora estadounidense NPR afondaba nesta cuestión, lembrando que a porcentaxe de mulleres que estudaban informática crecera entre os anos 60 e 80 en paralelo coa proporción das que estudaban Dereito, Medicina ou Física, até rozar o 35% do total, pero que a partir de mediados dos 80 comezou a descender, até ficar por debaixo do 20% (mentres nas restantes carreiras o crecemento se mantivo). O artigo especula con que a razón estivo en que no momento en que os ordenadores se converteron nun obxecto usual nos fogares, durante anos foron identificados cun instrumento de uso masculino, sobre todo nos aspectos relacionados cos videoxogos. As razóns da fenda de xénero A guía reflexiona sobre as razóns que poden explicar esta fenda de xénero nos estudos e nas profesións técnico-científicas A guía reflexiona sobre as razóns que poden explicar esta fenda de xénero nos estudos e nas profesións técnico-científicas. Algo sobre o que tamén afondou recentemente este artigo do Caderno de Cultura Científica. A falta dunha información axeitada, a percepción de que os estudos científico-técnicos non teñen unha relación directa co mundo real, o impacto das primeras experiencias lúdicas cos ordenadores ou a idea dunha excesiva dificultade (engadida para as mulleres a outros obstáculos ou á falta de confianza) estarían entre os motivos. Para superar esta fenda, o manual ofrece unha serie de metodoloxías que os expertos xulgan máis eficaces para empoderar as estudantes e dotalas de confianza e capacidade de emprendemento. Tamén suxire un amplo conxunto de ferramentas e programas informáticos para iniciarse no deseño web ou a programación informática. A guía tamén insta a "utilizar unha linguaxe de xénero e evitar os estereotipos, especialmente nestes casos, cando se trata de sectores cunha fenda de xénero e estereotipos fondamente arraigados". Manual para centros educativos do Proxecto ICT-Go-Girls! (.pdf) |
PRAZA_911 | A Coordinadora Galega de plataformas de afectados por estes produtos tóxicos ve escaso o castigo para a estafa que afectou 116.000 persoas en Galicia e da que aínda quedan 200 millóns de euros por devolver. Reclaman responsabilidades penais e políticas. | A investigación levada a cabo pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) sobre a venda de preferentes e subordinadas rematou en Galicia coa imposición de catro multas de pouco máis de 2 millóns de euros a Abanca que foron publicadas o pasado sábado no BOE. A loita nos xulgados e na rúa continúa por parte de milleiros de afectados, que ven nesta sanción unha cantidade "ridícula" e un escaso castigo para tal "estafa". "En que país do mundo onde se lles rouba millóns de euros a milleiros de persoas non se piden responsabilidade?" O FROB, nun informe de 2014, cuantificou 116.000 afectados polas preferentes e subordinadas en Galicia por un importe de máis de 1.800 millóns de euros. Segundo os cálculos da Coordinadora Galega de plataformas de afectados por estes produtos, faltan aínda por recuperar uns 200 millóns para unhas 10.000 familias. Parécelles ben unha sanción, pero non entenden que non se depuren responsabilidades. "Ten que haber responsables; en que país do mundo onde se lles rouba millóns de euros a milleiros de persoas non se piden responsabilidades penais nin hai responsabilidades políticas?", di Xulio Vicente, un dos voceiros desta coordinadora no país. "Se por un roubo de 1.800 millóns, a entidade agora responsable tan só ten que pagar 2, seguirán roubando... Todos a roubar", engade Xulio Vicente, que lembra que, ademais, en Galicia impuxéronse sancións a ducias de afectados polas súas reivindicacións que acumulan xa uns 25.000 euros. E moitas delas, como o caso simbólico e definitorio da anciá Domitila, foron anuladas pola xustiza. Vicente cre que a solución total non chegou aínda, nin moito menos, e lembra que é "un problema dramático, se cadra un dos máis graves acontecidos en Galicia nos últimos 50 anos". Fronte a iso, o FROB e a Xunta prometeron un arranxo definitivo, pero milleiros de familias seguen agardando. Segundo a Coordinadora Galega de plataformas, o erro foi que as institucións "non lle exixisen a devolución do roubado aos novos xestores da entidade", A Abanca, que tamén prometera unha solución. As plataformas lembran que a Eurocámara mantén a investigación e preguntará ao Estado se deu unha solución definitiva A súa esperanza, agora, é Europa. A Eurocámara confirmoulles a pasada semana que a investigación seguirá adiante, polo que pedirá datos ao Goberno español para determinar se incumpriu a normativa e comunitaria e para "saber se todo está solucionado", algo que é evidente que non, segundo as plataformas, pero que no Parlamento comunitario si crían arranxado. "Sorprendeulles a nosa presenza alí de novo porque a súa intención era pechar toda a denuncia e dar o tema por resolto", lembra. Aínda así, a maior esperanza, segundo Xulio Vicente, é "un cambio". "Que deixen o goberno os que nos roubaron ou colaboraron para que nos roubasen e cheuen políticos responsables que fagan pagar aos que están levando o Estado español á siuación penosa na que está", di quen aposta por que "todos os que fixeron estas falcatruadas" coas preferentes "sexan levados ante a xustiza". |
NOS_17674 | Ignacio López-Goñi é catedrático de Microbioloxía na Universidade de Navarra e divulgador científico. É autor do libro Virus y pandemias, un traballo no que explica que son os virus, como se orixinan e cales son os mecanismos polos que se rexen enfermidades infecciosas como a gripe, o ébola ou a Sida. É un dos maiores expertos na materia. | Fronte ao número de casos, á transmisibilidade sostida e ao avance simultáneo do coronavirus, hai motivos para o optimismo?Estamos ante un problema serio, e por primeira vez vivimos unha epidemia en tempo real. Todos os medios de comunicación de todo o planeta falan do coronavirus todos os días. E vemos como suman á lista un caso detrás doutro. É información, e é importante, pero sacada de contexto crea unha ansiedade enorme. Mais nunca estivemos mellor preparadas que agora para enfrontarnos a unha epidemia coma esta. En primeiro lugar, coñecemos o virus. Pode parecer obvio pero cando se detectaron os primeiros casos da Sida tardamos case dous anos en identificalo. A China alertou a finais de decembro de varios afectados por unha pneumonía severa que non podía identificar. O 7 de xaneiro xa se sabía que virus a provocaba. Tres días máis tarde tiñamos o xenoma e sabiamos que era un coronavirus, emparentado co SARS que provén dos morcegos. Tal cantidade de información permitiu desenvolver en poucos días o test de diagnóstico que agora se emprega en todo o mundo. Esta dinámica forma parte do mecanismo de prevención e control de enfermidades?O sistema de ciencia e tecnoloxía púxose a traballar de inmediato. Iso é unha boa noticia. Na actualidade hai máis de 150 artigos científicos relacionados co novo coronavirus, algo que nunca ocorreu na historia. A ciencia dispúxose por enteiro para intentar descubrir como solucionar este problema. Temos artigos que teñen que ver coas vacinas, cos tratamentos, coa epidemioloxía, con aspectos clínicos, co diagnóstico. E toda esta ciencia está en aberto, dispoñíbel para toda a comunidade científica, o que fai que a ciencia vaia aínda máis rápido. Tamén á hora de dar cunha vacina eficaz. A investigación está moi avanzada. Hai varios grupos que xa traballaban nesta solución, que o tiñan todo preparado e que só tiveron que mudar de virus. Agora están en condicións de presentar prototipos de vacinas para este coronavirus nun tempo récord. É verdade que pode tardar máis dun ano porque haberá que ver que funcione, sometela ás probas de seguridade, definir unha lexislación moi exhaustiva. Con todo, o máis importante, chegado o momento, vai ser poñer a disposición de todo o mundo esa vacina, sobre todo naquelas zonas do planeta máis desfavorecidas e onde os problemas sanitarios son maiores. Quen asumiu a tarefa de investigar unha vacina eficaz?Sobre todo os laboratorios privados e as universidades, mais tamén empresas biotecnolóxicas. Hai unha universidade en Australia que conta cun sistema novo para producir vacinas. No Estado español, quen se encarga é o grupo de Luis Enjuanes e Isabel Sola, do Centro Nacional de Biotecnoloxía do CSIC. Ademais da investigación, a clínica das doentes é outro indicador. Que camiño sinala?80% dos casos son leves. O problema é que 20% dos casos pode cursar cunha pneumonía, e arredor dun 3% pode chegar a ser mortal. Estes casos máis graves requiren hospitalización, e un dos problemas detectados que máis preocupa é que esta deriva chegue a colapsar os sistemas sanitarios. De feito, vese que a mortalidade asociada a este virus é maior en países onde os sistemas sanitarios son máis débiles. Doutra banda, é importante resaltar que a xente cura. Sempre nos están dando as cifras de infectados e o número de falecementos pero hai 13 veces máis pacientes curados que falecidos. E van en aumento. Outro dato interesante é que só 3% dos casos se dá en menores de 20 anos. Ademais, a mortalidade en menores de 40 é só de 0,2%. Son datos que nos axudan a ver que non todo é negro neste problema. Que medicamentos se usan coas pacientes ingresadas?Máis aló dos tratamentos propios dunha pneumonía clínica, en principio, non hai un antiviral específico contra este coronavirus. Pero existen máis de 80 ensaios clínicos con substancias que sabemos que funcionan con outros virus que se están probando con este. Por exemplo, o remdesivir, un antiviral de amplo espectro que xa se usou contra o ébola e o SARS/MERS e parece que podería funcionar. Outros son dous inhibidores da proteasa empregados para combater o virus da Sida, o Lopinavir e o Ritonavir. Hai motivos para optimismo na medida en que temos un arsenal de antivirais que podemos probar contra este virus. Que cambiará se a OMS declara pandemia o coronavirus?Pandemia é unha referencia á extensións xeográfica e á transmisibilidade do virus. Non significa que sexa máis virulento, máis perigoso nin que produza máis mortos. Pandemia significa transmisión sostida, eficaz e continua da doenza en varios continentes. O máis importante é todo o anterior que explicamos, ao virus dálle igual como lle chamemos. |
NOS_39236 | A deputada nacionalista Carme Adán leva ao Parlamento as axudas e subvencións públicas a "entidades privadas" para incentivar o turismo dotándoas de equipamento para equitación ou golf. | A deputada do BNG, Carme Adán vén de rexistrar diversas iniciativas sobre a resolución pola cal se lle dá publicidade ás axudas a entidades privadas para incentivar o turismo dotando de equipamentos a empresas de servizos turísticos complementarios. Entre estes equipamentos figuran 'buggies' de golf, paus de golf. Material para a equitación (cabezadas, mantas de cabalo, cepillos...)... Para a parlamentar nacionalista "non deixa de sorprender" que mentres o goberno galego recorta "sistematicamente servizos públicos necesarios", destine 130.000 euros á compra de equipamentos deportivos, a través da Axencia de Turismo de Galiza "para nichos de mercado tan minoritarios como a equitación, o golf ou turismo náutico". |
NOS_45084 | O colectivo cívico compareceu esta cuarta feira para apresentar o encontro nacional que irá realizar o domingo en Compostela (10 h, Auditorio). A imprensa interesouse pola noticia do día: o pre-acordo entre Anova, EU e Podemos. Para Iniciativa pola Unión, estamos ante un "acordo entre cúpulas" e del non pode xurdir unha candidatura "nacional, galega e unitaria". | Elvira Souto, Ana Luisa Bouza e Suso Díaz compareceron en conferencia de imprensa para apresentar o Acto de Abertura deste domingo, un evento que inicialmente fora concebido como un ponto de encontro coa outra plataforma cívica, o Encontro Cidadá pola Marea Galega. Esa converxencia parece hoxe practicamente desbotada. "Fixemos todo o que puidemos [para lograr a unidade entre os dous colectivos], mais non nos damos por vencidos", dixo Ana Luisa Bouza. Segundo as declaracións recollidas por Europa Press, Suso Díaz xulgou que en teoría non debería haber grandes obstáculos para que esa converxencia finalmente se materializase: "Non hai ningunha diferenza substantiva que impida actuar unitariamente", dixo. Suso Díaz observa certa "subordinación" de Anova e EU "ao que se di desde Madrid" Aliás, o asunto que concitou o interese da imprensa foi o anuncio feito esta mañá na Radio Galega por Martiño Noriega que apunta a un inminente acordo entre Podemos, Anova e Esquerda Unida. Ana Luisa Bouza descualificouno ao tildalo de "acordo entre cúpulas", en tanto que Suso Díaz observou que "parece" que del se desprende que hai unha certa "subordinación" de Anova e Esquerda Unida "ao que se di desde Madrid", en obvia alusión a Podemos. "Se dicemos que hai que negociar ante a cidadanía, practiquémolo", acrecentou Díaz. Bouza enfatizou que a candidatura resultante do acordo entre Anova, Podemos e Esquerda Unida tampouco sería unha lista "nacional" galega. Argumentou que non se trata só de afastar o PP da Moncloa, mais tamén de defender os intereses nacionais da Galiza nas Cortes Xerais do Estado. Embora todo isto, os integrantes da coordenadora de IxU non dan por "fechado" o proceso de diálogo. "Non perdemos a esperanza; o partido non remata até que remata", dixo. |
NOS_49330 | Cambiar as cousas para que nada cambie. Un pouco como o que lle pasaba a Bill Murray naquel clásico cinematográfico intemporal chamado Atrapado no tempo, no que espertaba unha e outra vez sumido no Día da Marmota, o Club Deportivo Lugo non cesa de relevar técnico tras técnico co mesmo nulo éxito da personaxe do xardesco reporteiro Phil Connors intentando fuxir do bucle temporal no que estaba atrapado. | Outro día na oficina para a sufrida afección dun Club Deportivo Lugo que perdeu ante a Sociedade Deportiva Ponferradina no Toralín (2-0) o seu sexto partido consecutivo. Chegaban os albivermellos a Ponferrada coa ilusión de que co cuarto técnico do equipo nesta tempada debutando no banco lucense puidese facerse realidade aquel vello tópico futbolístico de "a adestrador novo, vitoria segura", pero nada máis lonxe da realidade. A man de Rubén Albés non se notou en ningún eido do xogo, até o punto de que os xogadores transmitiron exactamente as mesmas sensacións de impotencia e apatía que o vigués herdou da era Luís César Sampedro, do que até imitou a vella costume de encaixar un gol nos primeiros intres de partido, neste caso no minuto 10, da man dun Paris que aproveitou un erro do ex deportivista Luís Ruíz para abrir unha fenda que aumentaría un futbolista a piques de celebrar o seu 39 aniversario, o incombustíbel dianteiro brasileiro e curmán de Charles Dias, Yuri De Souza. Albés herdou da era Luís César o vello costume de encaixar gol cedo Con este resultado o Lugo queda sumido na antepenúltima posición a tres puntos da salvación, e cando quedan tan só seis partidos por diante outra derrota ante un rival directo por eludir o descenso como é o Real Zaragoza na vindeira xornada deixaría -salvo un milagre da magnitude do logrado a tempada pasada- os albivermellos con pé e medio na Primeira RFEF. Misión cumprida: o Celta continuará na Primeira O Celta de Vigo superou Osasuna en Balaídos por 2-1 e certificou, quizais non matematicamente, mais si virtualmente, a súa continuidade na máxima categoría durante un ano máis. A escuadra olívica saíu moi enchufada a un choque no que perdeu Hugo Mallo no minuto 7 por unhas molestias no bíceps femoral da perna esquerda, sendo substituído por un Kevin que rendeu a un gran nivel. Afortunadamente, a baixa do capitán non descentrou o equipo, e da man de Iago Aspas o Celta conseguiu adiantarse pouco antes do descanso e logo, cun testarazo de Murillo no 64, sentenciaría o encontro. Porén, o colexiado Soto Grado e o seu asistente na sala do VAR, Pizarro Gómez, decidiron tomar protagonismo no partido e non só anularon un gol a Nolito por un fóra de xogo cuestión de milímetros, senón que sinalaron un máis que rigoroso penal de Aspas sobre Roberto Torres que tornaría no 2-1 definitivo. Con todo, o resultado final é o que importa, e con el o Celta, salvo desastre, xa pode centrarse no que resta de tempada en tratar de recortar distancias cuns postos europeos dos que está separado por oito puntos cando quedan 15 en xogo. Gran xornada para Rácing, Coruxo e o filial do Celta na Segunda B O Celta B confirmou o seu gran momento logo de golear na súa casa o filial do Real Valladolid por un contundente 0-5. A exhibición protagonizada polos canteiráns celestes situounos nos postos que dan acceso a disputar o play-off de ascenso, e tan só dependen de si mesmos e das súas actuacións ante Cultural e Burgos nos dous partidos que restan para o final da fase. Tamén dependen dos seus propios resultados, neste caso para estar a vindeira tempada na Primeira RFEF, Deportivo da Coruña e Rácing de Ferrol, logo de que os coruñeses volveran da casa do fechacancelas Marino cun pobre empate sen goles e os Diaños Verdes superaran o Langreo por 2-3. Quen xa perdeu ese tren foi o Compostela, que o próximo ano xogará na Segunda RFEF após caer co Numancia. Nesa categoría tamén deberían militar Coruxo e Pontevedra, que polo de agora son primeiro e segundo clasificados no grupo por eludir o descenso á Terceira División. Os de Vigo gañaron o Covadonga por 2-3 en Asturias, mentres que a escuadra granate rañou un valioso empate no campo do seu inmediato perseguidor, o equipo filial do Real Oviedo. |
NOS_19263 | Grecia e o Estado español, cun 27 e un 26,2% e paro, lideran o desemprego na UE. Máis de 26 millóns de persoas están no paro na Unión Europea | A taxa de desemprego na Eurozona estableceu un novo record, cun 11,9%, segundo os datos que vén de ofrecer Eurostat. Grecia, cun 27% e o Estado español, cun 26,2%, son os que lideran os rexistros de taxas de parad@s. A crise e a recesión están a mergullar a Unión Europea nuns números de desempregados non coñecidos. Pola súa banda, no conxunto da Unión Europea (UE) a taxa de desemprego aumentou até o 10,8%, cifra que supera en 0,7 pontos porcentuais a do mesmo mes de 2012. A axencia estatística europea cifra en 26,217 millóns de persoas as que carecían de emprego en xaneiro na zona UE, dos que perto de 19 millóns atopábanse ena zona Euro. Isto implica un aumento mensal de 222.000 parad@s no conxunto da UE e de 201.000 na zona euro. Galiza Poroutra banda, o Gabinete Técnico de Economía da CIG vén de presentar a análise da evolución do mercado laboral en Galiza no ano 2012. Os datos son demoledores, indica o sindicato nacionalista: unhas 116 persoas perderon diariamente o posto de traballo; a poboación activa entre os 16 e os 34 anos descendeu en 16.000 persoas; desde que se iniciou a crise, o 66% de todos os postos de traballo destruídos é do sector industrial e da construción, aínda que no último ano, o sector servizos viuse afectado con especial virulencia; 44.500 asalariados perderon o posto de traballo; descendeu fortemente o número de ocupad@s con xornada a tempo completo, e medran os de xornada a tempo parcial. Malia este panorama, a partida que máis descende –nun 40%- nos orzamentos de 2013 é a de promoción de emprego. |
NOS_43343 | Nas últimas horas detectáronse na Galiza até 718 novos contaxios de Covid-19. O avance da pandemia non recúa nestes días posteriores ao Nadal, co récord rexistrado onte con 798 contaxios nun só día. Ademais aumenta a presión nos hospitais. | 718 son os novos contaxios por coronavirus rexistrados nas últimas horas (661 confirmados a través de PCR), após baterse onte, 9 de xaneiro, o récord desde o inicio da pandemia, con 914 positivos (798 detectados por PCR). En total os casos activos este domingo rondan xa os 8.000 na Galiza, subindo 403 máis que o sábado e situándose en 7.795. A área sanitaria da Coruña-Cee continúa como a que ten máis enfermos de Covid-19, con 1.831, tras ascender en 135 nas últimas 24 horas. Séguea Santiago-Barbanza que, con todo, é o único distrito sanitario onde baixan os activos este domingo até situarse nos 1.642 (-8). En Vigo, esta cifra creceu en 67: hai 1.397 casos activos. Por baixo do milleiro están as áreas sanitarias de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con 947 (+91), Pontevedra-O Salnés, con 736 (+12); Lugo-A Mariña-Monforte, con 751 (+52); e Ferrol, con 491 casos (+54). Aumenta tamén a presión hospitalaria cun total de 360 persoas ingresadas, é dicir, 18 camas ocupadas máis que o sábado. Porén, este domingo notificouse un lixeiro descenso nas unidades de coidados intensivos (UCI), con 61 prazas ocupadas, dúas menos que na xornada anterior. Os casos detectados mediante proba PCR reducíronse a 661, é dicir, 137 menos que o sábado. Catro novos falecementos suman xa 1,445 mortes As persoas falecidas con Covid-19 desde a chegada da pandemia son xa 1.445, coas catro últimas vítimas rexistradas a últimas horas do sábado. Estes últimos falecementos foron de dúas mulleres, de 96 e 77 anos, que se atopaban hospitalizadas, respectivamente, no hospital HM Modelo-Belén da Coruña e no Complexo Hospitalario de Pontevedra. Neste último centro falecía outra das catro vítimas, un home de 69 anos. Por último, o Hospital Comarcal de Verín tamén notificou a morte dun pacientes nas últimas horas, un home de 87 anos. Na última xornada fixéronse 8.866 probas PCR, 476 máis que no día previo. A positividade dos tests baixou catro décimas e quedou en 7,53%, fronte a 7,95% do sábado. A Galiza aínda está por encima de 5% de taxa de positividade, limiar que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia. |
NOS_24292 | O director xeral desta corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, resta importancia á entrevista ao ex alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, en castelán. | A entrevista en español ao ex alcalde da Coruña Francisco Vázquez, realizada o pasado 5 de decembro no programa da Radio Galega Galiza por Diante Fin de Semana polo xefe de redacción da canle, Luis Ojea, centrou boa parte do debate na comisión de control da Compañía de Radio Televisión da Galiza (CRTVG). A este respecto, os grupos parlamentarios do BNG e do PSdeG-PSOE interpelaron na Cámara galega o director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, e trasladáronlle o seu malestar pola tentativa de normalizar o uso do español nos medios públicos galegos. A deputada nacionalista María González Albert criticou que "a pesar da claridade coa que vén determinado este obxectivo de normalización lingüística na propia lexislación temos observado como nos últimos anos a presenza do castelán nos medios da CRTVG é cada vez máis reiterada e mesmo se ten normalizado o seu uso a través de colaboradores e colaboradoras habituais en, principalmente, espazos de opinión e debate, así como na publicidade". Na mesma liña cualificou como "feito de extrema gravidade" que se empregase "en todo momento o español para conversar" con Francisco Vázquez, "que demostrou ademais en múltiples ocasións ter un coñecemento máis que notábel da nosa lingua". A deputada socialista Noa Díaz considerou que "non é comprensíbel o acontecido o pasado sábado 5 de decembro, véspera da celebración da constitución española, no programa Galiza por Diante da Radio Galega. Neste sentido definiu a conversa en español como "algo inadmisíbel, por canto o entrevistado era ademais unha persoa galega que é coñecedora da nosa lingua" e preguntouse se "vai ser a partir de agora a tónica habitual que os entrevistadores dos medios públicos galegos muden de idioma para o que fala a persoa entrevistada". O director xeral da Compañía de Radio Televisión da Galiza, Alfonso Sánchez Izquierdo, non deu importancia á entrevista en español a Vázquez e situouna como unha anécdota na práctica lingüística dos medios públicos. "Non é unha praxe habitual na Radio Galega, o normal é entrevistar en galego", afirmou o máximo responsábel da CRTVG, quen cualificou a conversa de Vázquez na canle galega como unha "incómoda cuestión". Nesta liña, eludiu valorar a entrevista e evitou dar a súa opinión sobre o acontecido, se ben deixou caer que o ente non fecha a porta a repetir feitos como os denunciados polos grupos da oposición. Estatuto profesional e do consello de informativos para o ano 2021 Sánchez Izquierdo comprometeuse a ter elaborada a proposta do estatuto profesional e do consello de informativos para 2021. A posta en marcha destes dous organismos foi recollida na Lei 9/2011 de medios públicos e comunicación audiovisual da Galiza, polo que a súa entrada en vigor chegará con máis de oito anos de retraso. Segundo estabelece a normativa, o estatuto profesional é o "instrumento destinado a fortalecer a calidade, profesionalidade e independencia dos contidos informativos" e o consello de informativos é o "órgano interno de participación dos profesionais da información da corporación RTVG, co fin de velar pola independencia, veracidade e obxectividade dos contidos". |
NOS_44667 | No terceiro andar. | O Servizo Galego de Saúde (Sergas) detectou durante esta fin de semana dous focos de coronavirus, con tres e nove positivos, respectivamente, no terceiro andar do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Ambos os focos foron localizados na á esquerda e a dereita, nunha planta na que se tratan pacientes de diversas especialidades, como Uroloxía, Otorrinolaringoloxía, Nefroloxía, Medicina Interno e Cirurxía, segundo sinalaron fontes sanitarias a Europa Press. Tras detectarse estes positivos, púxose en marcha o protocolo e ambos os brotes están en estudo. Ademais, xa se realizaron máis de 70 probas PCR. Ante esta situación, a dirección da área Sanitaria de Ferrol decidiu prohibir as visitas neste hospital e só se permitirá o acompañamento de pacientes menores de idade e grandes dependentes. Así mesmo, o acompañante debe ser a mesma persona cada xornada e manter as debidas condicións de protección con distanciamento, hixiene de mans e máscara. |
NOS_20680 | O Tribunal de Xustiza da Unión Europea sentenciou que Oriol Junqueras tiña inmunidade desde que a 13 de xuño se produciu a proclamación oficial dos resultados dos comicios europeos. Ademais, o Tribunal sinala que o líder de ERC debera ter saído da cadea para asumir o cargo como eurodeputado, cuestión que non permitiu o Tribunal Supremo español. Sermos Galiza conversa sobre a sentenza e as liñas que se abren na causa co profesor de Dereito procesual e membro de Esculca David Soto. | Duro revés para o Tribunal Supremo do Estado español após coñecerse onte, 19 de decembro, que Oriol Junqueras tiña que gozar de inmunidade como eurodeputado desde o día 13 de xuño, cando a Xunta electoral proclamou oficialmente os resultados dos comicios europeos. Así o ditou o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), quen ademais reprende o Supremo por non permitir a Junqueras saír da cadea para tomar posesión do seu cargo como deputado europeo. Desde Luxemburgo, a xustiza tamén di que se o Supremo pensaba que debía manter na cadea o líder de Esquerra, debera ter solicitado ao Parlamento Europeo a suspensión da súa inmunidade. Con todo, o tribunal non aclarou se a decisión se pode aplicar agora e se Junqueras pode saír da cadea para exercer o seu escano na Eurocámara, pois a decisión da xustiza europea refírese a cando o líder soberanista estaba en cadea provisional con anterioridade á sentenza firme do Supremo sobre o procés, coa que se lle condenou por sedición e malversación a 13 anos de prisión e outros tantos de inhabilitación. Por tanto, a menos que se tombe a sentenza do Supremo, Junqueras está inhabilitado para exercer o cargo de eurodeputado. Por este motivo ERC pediu xa, após coñecerse a resolución europea, a nulidade do xuízo do procés e a liberación inmediata do seu president. Porén, desde a Fiscalía do Tribunal Supremo español tan só tardaron dúas horas en responder o TXUE, a pesar de que tiña de prazo cinco días. No seu escrito opóñense á liberación de Junqueras e solicita á Sala que o xulgou que realice o suplicatorio ao Parlameto europeo, é dicir, que solicite a supresión da inmunidade que onte lle recoñeceu a xustiza europea. As liñas abertas para Junqueras após a sentenza Sobre as consecuencias que implica a decisión da xustiza europea, Sermos Galiza conversa con David Soto, profesor de Dereito procesual na Universidade da Coruña e membro da xunta directiva de Esculca, o observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades. Para o xurista, a xustiza española fica após a resolución do TXUE "en moi mala posición". Desde o observatorio, logo de seguiren o xuízo do procés e de participaren das observacións, valoran que detrás das formulacións realizadas desde as defensas e polo Tribunal Supremo xa se entrevé que ambas as partes eran conscientes de que a última instancia non recaerá no propio Supremo, senón no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH). De feito, Soto considera que "en lugar de ser unha sentenza ao uso, a do procés é máis ben unha serie de alegacións que o Supremo fai pensando xa no TEDH". "A cultura da alta xudicatura española está moi lonxe da europea", advirte Soto. Nese sentido, o xurista de Esculca salienta que "co ditame europeo, a sentenza do Tribunal Supremo sobre o procés fica tamén nunha moi mala posición", e engade que a vulneración da inmunidade de Junqueras está na tónica de casos moi graves de irregularidades que se produciron no transcurso do proceso xudicial e que afectou os dereitos procesuais das persoas condenadas. "A cultura da alta xudicatura española está moi lonxe da europea", critica Soto. En Esculca esperan a impugnación da sentenza e o inicio dun procedemento de nulidade de actuacións. "Lamentamos que a Fiscalía non se una a esta postura, porque é o seu deber defender a legalidade e non a unha das partes". Nese sentido, tamén esperan que a Avogacía do Estado si se una á petición de anulación de actuacións. Con todo, o profesor Soto sinala que Junqueras, ao ter unha condena firme, semella inviábel que a día de hoxe sexa liberado, cuestión que sería posíbel coa nulidade das actuacións e volvéndose a realizar o xuízo. Noutra situación atópanse os exiliados Carles Puigdemont, Toni Comín e Clara Ponsatí. Os dous primeiros foron electos eurodeputados de Junts, mentres que Ponsantí ocupará a acta cando se efectúe o Brexit polo escano que gaña o Estado español coa saída do Reino Unido. "A euroorde de detención e entrega non foi admitida por ningún país da UE no que eles estiveron", sinala Soto en relación aos tres exiliados. E agora, coa inmunidade, en principio só poderían ser detidos no Estado español de cometeren delito flagrante ou unha vez o Parlamento europeo lles quitase a inmunidade a petición do Supremo. Mais fica por ver que posición terá agora o Estado. |
NOS_24005 | Ana Pontón denunciou esta quinta feira o baixo nível de execución das contas do Estado na Galiza. Un clásico que se viu agravado nos últimos tempos. Só un dado: no primeiro semestre de 2017 só se executou 16,2 por cento do orzamentado por Fomento no noso país, face 54,7 do promedio estatal. | "Nos últimos anos, o grao de execución de Fomento en Galiza foi moi inferior ao do conxunto do Estado: 80,8% fronte a 107% en 2015, 47% fronte a 89% en 2016, e 16,2% de execución no primeiro semestre de 2017 fronte a 54,7% a nivel estatal", pormenorizou Ana Pontón esta quinta feira nunha comparecencia ante a imprensa. As cifras son especialmente elocuentes no capítulo AVE, en teoría a estrela dos investimentos de Fomento na Galiza. En 2015 -sempre segundo as estimacións feitas públicas esta quinta feira pola líder do BNG- o nível de execución das obras da alta velocidade ficou en 40 por cento, unha percentaxe pequena, embora superior ás rexistadas en 2016 (28,7 por cento) e no primeiro trimestre de 2017 (13,9). Más notícias tamén no capítulo de Renfe-Operadora, os fondos destinados á modernización das redes ferroviarias xa existentes. Aquí o Estado tería deixado de investir -no bienio 2015-2016- 94 por cento do orzamentado, unha perda de recursos que o Bloque cifra na contorna dos 40 millóns de euros. "Con estas cifras non fai falta ser adiviña nin premio Nobel de Economía para entender por que o AVE leva décadas de retrasos e por que Galiza soporta un ferrocarril do século XIX na maior parte do territorio e que, por exemplo, entre Ferrol e Coruña se chegue antes en bicicleta que por tren", ironizou Pontón. "Con estas cifras non fai falta ser adiviña nin premio Nobel de Economía para entender por que o AVE leva décadas de retrasos" A cousa é máis grave aínda se levamos en conta que o baixo nível de execución se produce sobre uns orzamentos que, enfatiza Pontón, experimentaron unha contracción das maiores dos últimos exercicios, ao totalizar 442 millóns de euros menos que os presupostos imediamente anteriores. A líder do BNG ve nestes dados un sinal da "irrelevancia política" á que Feijóo "conduce a este país". Non fica aí a crítica e Pontón pergúntase que foi daquela comisión de control orzamental anunciada polo presidente da Xunta na cámara galega a 5 de abril de 2017. "Unha comisión específica que, e cito textual, garanta aos galegos e as galegas o compromiso de España con Galiza, que ía presidir o propio Feijóo, pero da que nunca máis se soubo, e á vista dos resultados debía ter como obxectivo saír ao paso e conseguir un titular", censurou. Pontón pergúntase que foi daquela comisión de control orzamental anunciada polo presidente da Xunta na cámara galega a 5 de abril de 2017 E agora? O BNG propón un acordo das forzas políticas no Parlamento galego para reclamar do Estado a materialización dos investimentos non realizados, e entende que o lóxico sería que fose o propio Feijóo quen liderase esa demanda política. "O Goberno central debe compensar a Galiza por eses recursos que quedaron en papel mollado", acrecentou Pontón, quen defende que na negociación dos orzamentos para 2018 -en curso- Feijóo "faga valer" o peso dos 12 parlamentares eleitos nas listas do PP nas circunscricións galegas. "Que será antes para Feijóo, servir a Rajoy ou servir aos galegos e as galegas?", perguntouse a líder nacionalista. |
NOS_26551 | A Praza da Peregrina foi escenario dunha concentración da Asociación en Defensa da Ría de Pontevedra cun duplo propósito. O primeiro, celebrar o fin da concesión de Elnosa. O segundo, presionar o Goberno español para que non tolere a continuidade da factoría co subterfuxio de que o Consello de Estado aínda non resolveu o expediente sobre a caducidade da concesión. | Primeiro fechar Elnosa. Despois fechar Ence. Ese é o horizonte no que se move a APDR, e tamén o concello de Pontevedra. A asociación desenvolveu este domingo unha acción festiva e reivindicativa, co reparto de lazos verdes que simbolizan a aposta por unha Ría de Pontevedra libre de industrias contaminantes. Os lazos verdes —pendurados en reixas, farolas, tuberías e outros elementos do mobiliario urbano— levaban sobre-impresionada a palabra Agora!, en vermello e sobre un fondo negro. Un adverbio de tempo que significa que Elnosa debe cesar xa a súa actividade á beira da Ría de Pontevedra, ao ter concluído o período da concesión. Agora é tamén unha chamada de atención a un goberno do estado que se dispón a tolerar a continuidade da electroquímica mentres o Consello de Estado non resolva o expediente sobre a caducidade da súa licenza. E ten de prazo para facelo até o próximo mes de outubro. 💚Hoxe é o primeiro día dun futuro verde para a Ría! O peche da actividade industrial de Elnosa é o inicio do fin do complexo Ence-Elnosa e o principio dun futuro de progreso social, económico e ambiental para Pontevedra e comarca. Hoxe Elnosa mañá Celulosa!!! pic.twitter.com/vXuAlpVE4K— APDR (@defensadaria) 29 de xullo de 2018 Na concentración deste serán na Praza da Peregrina tomaron parte a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, a edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, e a eurodeputada do BNG, Ana Miranda. En declaracións aos meios, o presidente da APDR, Antón Masa, atribuíu "ao descoñecimento de cal ten que ser o sistema a seguir" a posición adoptada pola subdelegada do Goberno en relación á permanencia de Elnosa —favorábel a que se manteña mentres o Consello de Estado non se pronuncie. "É moi doado de entender que nunha empresa que xa non ten concesión non é necesario continuar ningún expediente", dixo Masa. "Se no pode traballar en Lourizán, a que vén continuar co expediente de caducidade?", perguntouse o presidente da APDR. |
NOS_21990 | A máscara e a distancia social continuarán presentes durante meses. | Aproxímanse mudanzas na metodoloxía da Xunta para medir e afrontar a incidencia da pandemia. Estes cambios traerán unha nova relaxación xeral das restricións e a ampliación das capacidades no interior de espazos fechados e estabelecementos. Niso é no que está a traballar a Dirección Xeral de Saúde Pública, que remitirá un documento coa nova metodoloxía ao Comité Clínico que asesora o Executivo galego na xestión da pandemia. Prevese que o Comité revise o informe na reunión da vindeira terza feira. Así o anunciou esta quinta feira, 30 de setembro, o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, após a reunión semanal do Consello do Goberno galego. Iso si, "a máscara e a distancia seguirán, polo menos durante uns meses", advertiu. A Galiza está "nunha situación moi cómoda" no que respecta aos datos de incidencia e ocupación hospitalaria e cunha alta taxa de vacinación que permite ampliar as relaxacións, aseverou. Por iso, no novo documento "irase deixando de medir a incidencia a 7 e a 14 días", e centrarase en "como se van a tratar os surtos de coronavirus esporádicos que xurdan no territorio". A partir de aí, anticipou que o previsíbel é que se tomen "decisións" en relación a "relaxar" as medidas restritivas que aínda quedan na Galiza, o que afectaría á actual limitación de capacidades en interiores de hostalaría, ximnasios, salas de concertos, espazos culturais, barras de bares.. Para iso tamén lembrou que a Xunta está pendente de que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) ratifique as medidas do novo protocolo do lecer nocturno. "Se o TSXG habilita o certificado Covid, iremos moito máis rápido", aseverou. Sen datos diarios no ensino Na rolda de prensa, o presidente foi preguntado polo cambio de criterio da Consellaría de Educación, que este curso informa dos casos de Covid-19 nos centros de ensino tan só unha vez por semana en lugar de facelo diariamente. A CIG-Ensino exixiu xa coñecer os datos de forma diaria en favor dunha comunicación transparente e para garantir actuacións rápidas para protexer a comunidade educativa ante repuntas. "Todos os pais son avisados en canto se produce un caso no colexio onde vai o seu fillo", afirmou Feixoo para sinalar que a situación entre o curso pasado e este "pouco ten que ver: o curso pasado iniciámolo sen vacinas nin sequera para docentes", dixo. Polo de tracción e enerxías Noutra orde, o Consello da Xunta aprobou unha achega de 11,6 millóns de euros e un convenio de colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain) e o Centro Tecnolóxico de Supercomputación da Galiza (Cesga) para pór en marcha a primeira fase do Polo de tecnoloxías cuánticas con aplicacións na medicina, biotecnoloxía, aeronáutica ou telecomunicacións. O polo, orzamentado pola Xunta en 154 millóns de euros, aspira a beneficiarse dos fondos europeos Next Generation. Aliás, o Executivo tamén aprobou unha achega de 20 millóns de euros para impulsar o autoconsumo e almacenamento enerxético, de cara a lograr aforros anuais de 7 millóns nas facturas das empresas. Así, ábrense subvencións para a instalación de proxectos de fotovoltaica e eólica. Feixoo insiste no uso do topónimo deturpado da Toxa Núñez Feixoo referiuse ao Foro da Toxa empregando con insistencia o topónimo deturpado da illa. Preguntado pola actuación policial na xornada anterior contra manifestantes da Mesa pola Normalización Lingüística que reivindicaban diante do foro a non deturpación dos topónimos galegos (a Garda Civil empurrou e tirou varias persoas ao chan), Feixoo preferiu nin sequera citar A Mesa e dixo non ter información alén dun intento de manifestación de traballadores de Ence (tamén se concentraron diante do foro). |
NOS_43315 | O Goberno de Ben-Gurion ocultou a violencia contra as e os civís palestinos na creación do Estado de Israel, evitando que se investigaran os masacres. | "As actas rexistradas durante as reunións do gabinete en 1948 non deixan lugar a dúbidas, os líderes de Israel sabían en tempo real sobre os sanguentos eventos que acompañaron a conquista das aldeas árabes", subliña o xornal Haaretz, que xunta o Instituto Akevot analizou documentos oficiais que foron desclasificados hai pouco. Cartas de soldados, actas de reunións políticas e rexistros variados permitiron ao xornal revelar o modus operandi das Forzas Armadas de Israel durante a Nakba (catástrofe) palestina unha vez creado o Estado sionista, en 1948. Os militares dirixiron masacres en aldeas palestinas como Reineh, Meron e Al Burj, agora teoricamente integradas no territorio israelí, co gallo de exterminar os palestinos que residían na zona e consolidar a súa ocupación sobre o territorio. Ademais, provocaron o desprazamento de milleiros de persoas que non participaron de ningún modo no conflito, relata a publicación, "os masacres tiveron coma obxectivo a palestinos indefensos, anciáns, mulleres e crianzas", salienta. Até o 80% da poboación palestina tivo que fuxir perante a creación de Israel. Violencia de grupos paramilitares A conquista da rexión de Galilea, no norte de Palestina, efectuouse por medio da destrución de ducias de aldeas e da violencia contra a poboación civil apoiada por grupos paramilitares. En xullo de 1948 14 persoas foron asasinadas na aldea de Al Rina. O mesmo aconteceu na aldea de Al Burj. Sobre as súas ruínas Israel decidiu construír a colonia de Modi'in para cidadáns hebreos. Na localidade de Hula foi o grupo paramilitar Irgun o que executou 35 persoas. Ás e aos asasinados, entre os que se inclúen persoas maiores e cativos, fixéronlles cavar a súa propia tumba antes de rematalos. O Irgun estaba liderado por Benajem Beguin, que con posterioridade se convertería en primeiro ministro de Israel. Ocultación gobernamental Esta metodoloxía estivo avalada directamente polo Executivo que lideraba en 1948 David Ben-Gurion. As actas das xuntanzas do gabinete indican que ministros como Haim Moshe Shapira e Aharon Zisling censuraron o comportamento dos militares e onda outros funcionarios exixiron unha investigación do acontecido. Con todo, isto foi evitado polo primeiro ministro Ben-Gurion, que se amosou evasivo diante das acusacións. |
PRAZA_19668 | A entidade adquiriu notoriedade nos últimos días trala denuncia da súa presidenta, Aurora Carro, ao concelleiro de Culturas da Coruña polo cartel do entroido no que aparece unha persoa disfrazada de Papa. | Nos últimos días a Asociación de Viúvas de Lugo e a súa presidenta, Aurora Carro, gañaron unha notoriedade insospeitada, a raíz da denuncia que presentou contra o concelleiro de Culturas da Coruña polo cartel do Entroido no que se representaba unha persoa disfrazada de Papa. As asociacións de viúvas existen dende hai máis de medio século, adquirindo unha grande importancia social durante a ditadura, conformándose en 1969 a Confederación de Asociacións de Viúvas Hispania que unificaba todas as entidades e federacións existentes. Aínda que a súa dimensión pública é menor nas últimas décadas, manteñen unha organización moi estable, xogando a ser un grupo de presión, con demandas ligadas á mellora das pensións, pero tamén cunha axenda moi próxima á Igrexa Católica e ás ideoloxías conservadoras. No caso concreto de Galicia, Aurora Carro foi unha das fundadoras, hai máis de catro décadas, da Federación Galega de Viúvas, que todos os anos celebra un Congreso Rexional, que nos últimos tempos conta sempre coa presenza dos conselleiros e conselleiras da área de Política Social e, en ocasións, do propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Aurora Carro foi durante máis de 30 anos, ademais, presidenta da Asociación Provincial de Estancos, un cargo que abandonou no ano 2008. "Respectaría as figuras de monxas, sacerdotes, guardias civiles, policías..." "A min faime graza que estes 'artistas', entre comiñas, non se atrevan a debuxar a Mahoma, como os famosos estes de París. Que medo teñen? Atacan sempre á relixión cristiá, atácannos sempre a nós" Aurora Carro participou o pasado 19 de febreiro no debate de El Coruñés Opina de Radio Coruña-Cadena Ser, compartindo mesa -entre outros- co concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, ao que denunciara poucos días antes. No encontro, Carro reiterou a súa petición de que o Concello retirase o cartel: "Se a unha parte da cidadanía moléstanos e parécenos unha irreverencia coller a figura do Papa para un cartel do Entroido, é motivo para retiralo e para pedir desculpas". Ademais, cualificou de "falto de imaxinación" ao debuxante "porque mira que hai disfraces para non ter que molestar a ningunha forza relixiosa nin civil". "Eu respectaría as figuras de monxas, sacerdotes, o Papa, gardas civís, policías..., xente que está a prestar un servizo a toda a cidadanía", dixo. Así mesmo, a presidenta das viúvas lucenses incorreu na xa habitual demanda de que o humor trate tamén ao Islam: "A min faime graza que estes 'artistas', entre comiñas, non se atrevan a debuxar a Mahoma, como os famosos estes de París. Que medo teñen? Atacan sempre á relixión cristiá, atácannos sempre a nós". Carro engadiu que "a Igrexa católica temos un defecto, entre comiñas, que calamos e poñemos a outra fazula como nos ensinou Xesús". "Xa está ben de calar e criticar desde a butaca, que é algo que facemos sempre a Igrexa e tamén a Dereita. Iso facémolo moito, pero despois non somos capaces de facer o que fai a esquerda, que saídes enseguida á rúa", engadiu. Iso si, Carro concluía que "eu perdoo, porque a nosa relixión é perdón e amor. E tampouco condeno, para condenar están os xuíces e arriba Deus". Unhas ideas que reiteraba hai uns días, de novo na Cadena Ser, instando a José Manuel Sande a pedir desculpas e asegurando que esperaba que isto lle servise de "escarmento". "Polo menos para que outra vez non se meta coa relixión católica", dixo. Outro xulgado coruñés rexeitou ter en conta unha denuncia semellante "Xa está ben de calar e criticar desde a butaca, que é algo que facemos sempre a Igrexa e os de dereitas. Despois non somos capaces de facer o que fai a esquerda, que saídes enseguida á rúa" O concelleiro de Culturas terá que acudir o vindeiro 17 de abril ao Xulgado de Instrución número 3 da Coruña, despois de que este tomase en consideración a denuncia presentada por Aurora Carro por unha posible ofensa ás crenzas relixiosas. Porén, este domingo coñeceuse que outro xulgado da cidade (o número 8) optou por arquivar unha denuncia semellante presentada tamén contra o Goberno municipal polo xa famoso cartel do Entroido. O xuíz considerou neste caso que mesmo aínda que a imaxe puidese ser considerada "irreverente" por algunhas persoas, isto non constituiría un delicto. |
PRAZA_2702 | O barón ourensán augura que o 20-D a dirección do partido poderá "celebrar" un novo triunfo en Ourense tras unha campaña na que a dirección do PPdeG non prevé cambios no seu papel a respecto de anteriores comicios. | O baltarismo e Mariano Rajoy nunca foron especialmente ben levados, como sucedía entre o actual presidente do Goberno de España e toda a facción do PP galego considerada "da boina". Á familia Baltar, por exemplo, atribúeselle parte de responsabilidade no envío de Rajoy e José Manuel Romay Beccaría ao poleiro no Congreso do PPdeG en 1998, toda unha ofensa para os daquela ministros do Goberno Aznar. Malia todo, Ourense seguiu sendo un enorme celeiro de votos para os populares durante a presidencia de Rajoy e agora, en pleno escándalo pola denuncia de emprego por sexo que unha muller presentou contra José Manuel Baltar, o barón ourensán esgrime o seu poderío electoral para advertir de que contribuirá a outra "gran vitoria" o 20-D. Despois dun bronco pleno na Deputación, con novo plante da oposición incluído, e tras confirmarse que o pleno do Concello de Ourense -gobernado polo PP, pero en minoría- tamén esixirá a súa dimisión, Baltar asistía este luns a un pleno infantil na institución que preside. Pero, como en todas as súas intervencións públicas desde hai un mes, foi cuestionado sobre o seu caso. E el desbotou que a polémica vaia ter influencia ningunha no resultado das xerais. Polo menos, no que atinxe ao PP de Ourense. Baltar: "O 20 de decembro o PP celebrará na súa sede unha nova gran vitoria en Ourense" A preguntas dos xornalistas Baltar argumentou que "o que nos debe preocupar" non é outra cousa que contribuír a unha "gran vitoria popular". "Somos unha formación que non está en campaña só 15 días, senón os 365 do ano", resalta, e por iso di ter a seguridade de que, tras unha "gran campaña", "na noite do 20 de decembro o PP celebrará na súa sede unha nova gran vitoria do Partido Popular en Ourense", provincia na que en 2011 os conservadores obtiveron 3 dos 4 escanos en xogo tras lograr o 56% dos votos. A dirección do PPdeG non prevé cambios no papel de Baltar en campaña a respecto de anteriores convocatorias Baltar apela ás urnas mentres segue sendo amparado pola dirección do PP galego -"hai unha denuncia e nada máis", argumentou este domingo Alberto Núñez Feijóo-, na que non se prevé ningún cambio no papel do presidente ourensán na campaña con relación a convocatorias anteriores. Fontes da dirección popular en Galicia consultadas por Praza Pública subliñan que a práctica habitual é que os líderes provinciais centren a súa actividade de campaña nos seus territorios e non "fóra" deles, polo que así sucederá tamén nesta ocasión en Ourense. Deste xeito, Rajoy só tería que compartir foto con Baltar se na súa visita de campaña a Galicia -xa prevista, pero aínda sen data anunciada- recala en Ourense, algo que non parece o máis probable. Pedirlle responsabilidades "non é política" Neste escenario, José Manuel Baltar engraxa a súa poderosa maquinaria electoral e, ao mesmo tempo, desdeña as peticións de explicacións e dimisión do resto de forzas. El, di, non fará outra cousa que "falar de política" e "para min, iso non é política", polo que PSdeG, BNG e Democracia Ourensá poden "facer o que queiran". "Cada un debe ser responsable do que di e fai" e por iso, asegura, o pasado venres o PP continuou desenvolvendo o pleno en solitario mentres a oposición se ausentaba polo veto a que accedese ao salón de sesións parte do público. Malia a tensión vivida, segundo Baltar esa sesión estivo "marcada pola normalidade". Neste sentido, ao popular tampouco lle preocupan as accións emprendidas pola oposición polas restricións de acceso ao salón de plenos. O resto de grupos "defínense a si mesmos" e nas últimas semanas, di, está a quedar acreditado "quen é responsable e quen non". El, afirma, "nunca faría o tipo de política" que están a desenvolver as formacións da oposición desde a publicación en eldiario.es da denuncia e das gravacións nas que se gaba de poder alterar o resultado dun proceso selectivo na Deputación provincial. |
PRAZA_630 | Como toda cidade ou país, Madrid ten dono. A dona é unha burguesía moi particular que non nace da actividade financeira ou industrial senón que a súa acumulación de riqueza é consecuencia de detentar o Estado e as súas decisións | Desde hai tempo unha boa parte das noticias que nos serven os medios de comunicación teñen que ver especificamente coa política madrileña. Madrid non só é a sede e o escenario da política estatal senón que os eventos da política local son noticia estatal. Quen seguimos as noticias en calquera lugar de España xa temos opinión sobre este ou aquel candidato madrileño, a quen defenestraron, condenaron, deostaron, elixiron, quen está implicado, quen é irmán de quen, etc. E todo iso é un espectáculo tan frenético como abracadabrante que some en vergoña allea tanto a madrileños como a súbditos deste reino en xeral. Que está a pasar en Madrid? Manuel Azaña foi, sen dúbida o mellor estadista español do século XX, comprendeu que a un estado moderno lle sobraba unha corte e necesitaba unha capital. Paradoxal e tristemente foi a partir do desarrollismo do final dos anos cincuenta e baixo o franquismo, co seu sinal, cando Madrid gaña demografía, co baleiramento da Meseta e boa parte de Andalucía, e ao mesmo tempo localízanse alí as sedes das empresas do Estado e o "efecto capital" atrae as sedes das empresas estranxeiras. O novo estado centralizado irradia desde Madrid as emisións de televisión e o "parte" informativo da Radio Nacional, o Santiago Bernabéu transfórmase no templo do Réxime. Ese proceso de concentración continuou na democracia, a rede radial da AVE centralizado en Madrid simboliza perfectamente o acontecido co traslado alí da práctica totalidade das empresas financeiras. Para comprender o que é o Estado Español actual hai que historiar a evolución desa cidade e a súa transformación de ser "la villa y corte" a ser un centro que irradia ondas centrípetas que tragan a realidade española. Como toda cidade ou país, Madrid ten dono. A dona é unha burguesía moi particular que non nace da actividade financeira ou industrial senón que a súa acumulación de riqueza é consecuencia de detentar o estado e as súas decisións Como toda cidade ou país, Madrid ten dono. A dona é unha burguesía moi particular que non nace da actividade financeira ou industrial senón que a súa acumulación de riqueza é consecuencia de detentar o estado e as súas decisións. Realmente vénlle ben o concepto de "elite extractiva". A súa cultura é a do Estado e, á súa vez, determina a ideoloxía do Estado e os seus intereses van intimamente unidos a manter e ampliar a concentración de poder na capital e, dado ese proceso de concentración imparable, todo o Estado español está encerrado na ideoloxía e intereses dese grupo social. Si, o Bernabéu segue sendo o embigo de España e pódese dicir que neste momento o Reino de España está constituído polo País Vasco e Catalunya, con realidades políticas, culturais e en parte económicas independentes e o resto é Madrid coas súas provincias. Entre esa lista de provincias pódese matizar que Galicia conserva uns trazos culturais e políticos, cada vez máis débiles e, Andalucía, pola súa poboación, ten aínda a capacidade de expor demandas particulares. A moitos efectos Madrid tragou a España. A fortaleza dese Madrid e a debilidade desta España condiciónao todo A fortaleza dese Madrid e a debilidade desta España condiciónao todo. Vimos nos últimos anos como se expresaba con naturalidade a bulimia desa burguesía extractiva cando unha empresa barcelonesa pretendeu absorber a outra radicada en Madrid: "É unha mala noticia que unha das grandes empresas españolas se traslade fóra do territorio nacional". Ou as resistencias e acusacións cando o goberno de Rodríguez Zapatero decidiu trasladar a Axencia Estatal da Comisión do Mercado das Telecomunicacións a Barcelona. E todo iso viuse acompañado e agravado cunha constante campaña denigratoria de Catalunya, os cataláns e os seus gobernantes nos medios de comunicación, practicamente todos instalados en Madrid. Particularmente son totalmente escéptico despois do vivido nos últimos anos, pero calquera proxecto de convivencia en España, se algún día chegase a formularse novamente, terá que enfrontar e tropezará coa ideoloxía nacionalista española, que se reduciu a un madrileñismo cego. Calquera cambio nese sentido, por improbable que sexa, será para mellor. Figuras como a do profesor Ángel Gabilondo, o escritor Luís García Montero ou a xuíza Manuela Carmena prometen opor humanismo á barbarie galopante e diálogo fronte á obscenidade autoritaria É por iso que resulta interesante que desde a esquerda madrileña moveran peza e decidisen achegarse á vida pública a persoas que poderían achegar serenidade e ponderación. Fronte a figuras como Aguirre, Cifuentes, Hernández, Botella, Gallardón..., figuras como a do profesor Ángel Gabilondo, o escritor Luís García Montero ou a xuíza Manuela Carmena prometen opor humanismo á barbarie galopante e diálogo fronte á obscenidade autoritaria. Ter algún tipo de título ou ser de letras non é garantía de nada, pero eses perfís parecen expresar unha vontade de civilidade. Non se debe esperar moito, non é realista, pero calquera avance no combate entre humanismo e barbarie sempre é moito. |
NOS_56582 | Reclama ás centrais "que non asinen" o convenio provincial de Pontevedra e "escoiten o sector" | O sindicato CIG anunciou esta terza feira a convocatoria de folga de media xornada no sector do Metal da provincia de Pontevedra para o próximo 12 de maio, e fixo un chamamento a CCOO e UXT para que non asinen o convenio provincial (para o que hai un preacordo do que se desmarcou a central nacionalista) e "se comporten como sindicatos de clase". Así o trasladou o responsábel de Industria da CIG na comarca de Vigo, Xulio Fernández, durante unha concentración de delegados fronte á sede de Asime, patronal do Metal. Fernández anunciou a xornada de folga e chamou os sindicatos que atinxiron un preacordo para o convenio cos empresarios para "reflexionar", xa que o texto pactado acordouse "por detrás, sen consultar aos traballadores". Segundo incidiu, CCOO e UXT "están a traizoar ao sector" aceptando un convenio "moi regresivo", que "ataca os máis precarios", que son os eventuais, ao eliminar o prorrateo da indemnización por despedimento, que foi unha "conquista histórica". "Se se paga todo xunto ao final do contrato, moitas empresas obrigan os traballadores a renunciar á indemnización se queren renovar e seguir traballando", denunciou. Ademais de apelar á "reflexión" destas centrais, o responsábel de Industria tamén fixo un chamamento aos traballadores "para que teñan claro a quen se vota cando elixen os seus delegados". Xulio Fernández pediu a CCOO e UXT "que non asinen" e sinalou que a CIG "tende a man" para retomar a negociación do convenio, aínda que os outros sindicatos "sempre acaban traizoando no último momento". "Que non asinen, que escoiten o sector", insistiu. Ademais da concentración perante a sede de Asime, esta terza feira houbo outra protesta en Vigo, de operarios de auxiliares que, do mesmo modo que asegunda feira, volveron cortar o tráfico fronte ao estaleiro Freire. A Plataforma de Traballadores do Metal reclama, con este novo acto reivindicativo, que non se asine o convenio, que cualifican de "traizón sindical". |
NOS_6714 | As autoridades canadenses acordaron a suspensión definitiva da busca dos desaparecidos, mentres familiares e achegados piden proseguir coa procura para "poder despedirse". | O presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, foi o último en pedir que se retome a busca dos mariñeiros desaparecidos no mar de Terranova tras o naufraxio do barco pesqueiro de Marín 'Vila de Pitanxo', a pasada terza feira, a 450 quilómetros da costa de Canadá. Touza afirmou que as "prioridades" agora son "apoiar as familias" e "intentar continuar cos traballos de rescate até que humanamente sexa posíbel". Recoñeceu que a decisión das autoridades canadenses de de suspender definitivamente a procura dos 12 mariñeiros foi un "mazazo". As súas declaracións producíronse após manter unha reunión co ministro español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, o delegado do Goberno na Galiza, José Miñóns; a conselleira do Mar, Rosa Quintana; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, entre outros. O presidente dos armadores de Vigo lembrou que varios dos pesqueiros galegos e portugueses que participaron na busca dos mariñeiros seguen a rastrexar na zona, e agradeceu o seu labor. "A solidariedade da xente do mar quedou absolutamente patente", asegurou Touza. Peticións de Xunta e BNG O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, manifestou aos medios de comunicación que a Xunta "pediu que se retomen as tarefas de busca. Onte [pola cuarta feira] tiñamos o anuncio de que se podían retomar nas próximas 24 horas e esta mañá trasladámoslle ao Goberno o noso interese de que se retomen cando menos no día de hoxe, e espero que as autoridades canadenses nos dean unha resposta positiva". A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, tamén se posicionou neste mesmo sentido, e instou a retomar a busca outras 24 horas. "Queremos que non quede dúbida ningunha de que se fixo todo o posíbel por esas persoas, sabendo o importante que é para as familias recuperar os corpos para despedir os seus familiares", apuntou. Polo de agora, o Estado rexeita solicitar unha nova prórroga das tarefas de rescate, xa que, segundo manifestou José Miñóns, a Embaixada do Estado español no Canadá xa fixo "xestións" para que os labores de rastrexo se estendesen até as 36 horas, a pesar de que os protocolos de rescate canadenses, nesa zona e en malas condicións meteorolóxicas e marítimas, non prevén procuras "de máis de 23 horas". O Goberno de Canadá xustificou a suspensión da operación polos seus protocolos de salvamento, e pola "inviabilidade" de que ninguén sobreviva máis de vinte e catro horas desprotexido no mar de Terranova. O caso pasará agora a mans da policía, pero non se adoptarán máis medidas de busca. Chegada dos mariñeiros a terra Fontes de Salvamento Marítimo confirmaron na mañá desta quinta feira a Nós Diario que os nove corpos atopados dos mariñeiros falecidos, así como os tres sobreviventes do naufraxio do buque 'Vila de Pitanxo', regresarán a terra esta sexta feira. En concreto, os servizos de rescate de Halifax (JRCC Halifax) confirmaron, alén da suspensión definitiva do operativo de busca, que está prevista a chegada ao porto canadense de Saint John contra as 11 horas —hora da Galiza—, malia que aínda non se determinou cando serán repatriados. A bordo do 'Praia Menduíña 2', aliás, están os tres mariñeiros rescatados, ao igual que sete dos nove corpos atopados até o momento. Os outros dous repousan no 'Nexus' canadense. Salvamento Marítimo di non coñecer aínda as causas do sinistro, que se investigará "posteriormente" A respecto das causas do sinistro, desde Salvamento Marítimo afirman non ter coñecemento de reporte ningún do JRCC Halifax e apuntan que a cuestión se resolverá "posteriormente", cando se inicie unha investigación. |
NOS_32237 | O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo decide adiar cirurxías "non urxentes" pola falta de medios derivada da repunta de contaxios da Covid-19. | A falta de profesionais no sistema sanitario público da Galiza, agravada durante o verán polas múltiples vacantes que deixa o persoal que marcha de vacacións e que en boa parte non se cobren, provoca que os poucos efectivos que quedan en nómina asuman a carga de traballo das súas compañeiras e compañeiros. Así, segundo vén de denunciar a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza, o pasado domingo un médico do punto de atención continuada (PAC) de Cambados viuse obrigado a facer un 'tour' sanitario pola comarca do Salnés. "Comezou a mañá no PAC de Baltar (Sanxenxo), a continuación fixo a tarde no de Vilagarcía, e, por último, a noite no PAC de Cambados", explican desde esta entidade, e ironizan con que "afortunadamente o trasladaron de PAC a PAC en taxi, todo un detalle". "Así organiza esta dirección as urxencias extrahospitalarias", lamentan. Aliás, desde a CESM sinalan que a organización das gardas de Medicina Interna no Hospital de Montecelo, en Pontevedra, "deixa moito que desexar e ten numerosos facultativos fartos de tanta discrecionalidade". As Urxencias de Montecelo seguen saturadas e poderían perder máis persoal Critican que non exista "cadencia ningunha" nun reparto que "non é equitativo" entre todas e todos os profesionais que realizan gardas neste centro, no que a situación do servizo de Urxencias, afirman, segue a ser crítica. Contra as 21 horas desta quinta feira quedaban pendentes de ingreso 20 pacientes, e a primeira hora desta sexta, sete aínda non tiñan asignada unha cama, lamentan desde a CESM Galiza. O Cunqueiro adía cirurxías Por outra parte, o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo está a reprogramar estes días cirurxías consideradas "non urxentes" por mor da repunta de ingresos de persoas doentes con Covid-19. Esta é unha medida que non resulta unha novidade no hospital de referencia da cidade olívica, pois durante a pandemia houbo varias ocasións nas que a ocupación de camas polo coronavirus levou o Sergas a adiar intervencións cirúrxicas debido á falta de medios. Todo isto nunha área sanitaria, a de Vigo, na que no último ano medraron en 20% as listas de agarda para cirurxía, unha problemática que se estende ao resto do país. As listas de agarda para cirurxía creceron 20% no último ano, con Vigo á cabeza En total, segundo a plataforma SOS Sanidade Pública, paralizáronse no conxunto do país perto de 3.000 intervencións programadas, alén de 600.000 consultas e 20.000 probas diagnósticas. |
NOS_17297 | A Xunta concedeulle a Eyrega, Áridos CNC e Tecnosolos Galaicos autorización por 20 anos para o tratamento de lixo procedente doutros lugares que depositarán 1 millón de m³ nunha superficie equivalente a 6 prazas do Obradoiro. "Sogama recicla 3% de todos os residuos que recibe, que son 800.000 Tm/ano; o resto vértese neste tipo de vertedoiros en B", advirte Fins Eirexas, representante de Adega. | A canteira e o vertedoiro de Miramontes non dispoñen dun valado perimetral que impida acceder ás instalacións, como require a autorización ambiental, ademais de ter balsas de líquidos sen o debido illamento que provocan a preocupación da veciñanza da parroquia de Grixoa que non dispón de traída municipal e obtén a auga de pozos e mananciais. Santiago de Compostela conta cun vertedoiro con autorización de residuos non perigosos para a restauración do espazo natural da canteira de Miramontes, xestionado por Eyrega, que está a recibir materiais procedentes doutros vertedoiros e de empresas, cando a previsión inicial era encher este espazo con areas, terras e lodos xerados alí mesmo nas instalacións propiedade de Áridos CNC e con restos "procedentes de diversas actividades industriais de construción". Na parroquia de Grixoa, as gaivotas guían a vista cara ao clásico vertedoiro de lixo sen apreciaren ningún tipo de separación previa de residuos. Saben que nin se reduce, nin se reutiliza nin se recicla como se debera. Restos de comida, plásticos, cartóns, metais, redes e rodas amoréanse formando unha montaña que medra. Na base, unha cuberta negra de impermeabilización. Un proxecto en expansión No proxecto inicial deste vertedoiro, os líquidos que escoan -os lixiviados- debían ser achegados a un xestor autorizado mais logo solicitouse autorización para dispor dunha estación depuradora que verte 100 m³ ao día ao regato da Rañoa, que emboca no río Finde. Por outra parte, a canteira achega os líquidos perimetrais a unha balsa de decantación, de xeito que a parte superior despois de ser centrifugada -o sobrenadante- se verte directamente ao leito do regato sen depuración previa. Co propio lixo do vertedoiro, Tecnosolos Galaicos, unha empresa constituída hai 3 anos para a rexeneración paisaxística, cobre as ladeiras do outeiro escavado pola canteira, previa mestura con lamas de depuradora, cunchas de mexillón para conformar a área de calcio que rebaixa o PH e unha estruturante mineral inerte que pode ser restos da canteira ou, neste caso, escoura. A materia orgánica para ben integrar un tecnolosolo debera estar compostada, estabilizada, e non se pode mesturar en cru con outros compoñentes, mais a instrución técnica permite o que acontece en Grixoa: construír unha montaña con capas de lixo cunha cuberta vexetal por riba para dar aspecto de paisaxe rexenerada. "Ese tecnosolo tense que aplicar nun terreo degradado, mais aquí non se fai no vaso da canteira senón na ladeira onde había un prado e vexetación de monte baixo, cun vertido que escoa cara á pendente e cando chova vai deitar eses compoñentes sobre o val e as explotacións agrícolas e gandeiras", explica Fins Eirexas, representante de Adega. "A aplicación é irregular, porque estes solos non necesitan de ningunha emenda orgánica nin de ningunha corrección; isto é unha vertedura directa", engade. "En Adega temos detectado casos similares nas Somozas, nas Pontes e en Narón, mesmo en prados para pasto de gando, de láminas de depuradora en cru e iso xustificado como emenda orgánica", sinala. Nas Somozas son verteduras de aromáticos policíclicos, metais pesados e contaminantes que van ser incorporados pola escorrentía aos cursos de auga e ao val onde hai explotacións gandeiras e agrícolas que reciben unha enxurrada de augas contaminadas procedentes destes residuos. Un vertedoiro en B de Sogama "Isto é outro vertedoiro en B de Sogama, teñen que desfacerse dunha serie de residuos que son molestos porque ese sistema de tratamento ineficiente xera máis residuos", advirte Eirexas. Os propios datos da empresa indican que Sogama recicla 3% de todo o lixo que recibe, que son 800.000 Tm/ano; o resto vértese neste tipo de vertedoiros en B. Adega mantivo unha xuntanza coa veciñanza afectada de Grixoa coa que compartiron información sobre a posíbeis infraccións ambientais, ao tempo que lle solicitaron á Consellaría do Medio Ambiente copia dos permisos, autorizacións e analíticas correspondentes das verteduras para verificar o grao de cumprimento da normativa. Grandes contedores de líquidos Noutra zona, no alto da canteira, atópanse contedores abertos que desprenden mal olor con líquidos etiquetados como "aceite para filtrar - ensilado de fígado de peixe" da empresa Biomega Nutrición, que recibiu 3,9 millóns de euros da Xunta para a súa instalación en Boiro pese á advertencia da UE realizada en 2012 de que incumpría un regulamento comunitario sobre pesca ilegal. Tamén hai mostras rotuladas de Sologas que, dende xaneiro de 2017, dispón de autorización para o tratamento de residuos líquidos perigosos na planta das Somozas, que se unen aos lodos de depuración, subprodutos animais non destinados a consumo humano (SANDACH), residuos orgánicos e inorgánicos. Hai mostras de Harinas Reyes, pese a que esta empresa instalada no parque empresarial do Campiño, en Pontevedra, xa conta con Autorización Ambiental Integrada (AAI) necesaria ao superar as 300 toneladas diarias vinculadas á produción vexetal. Outra leva o nome de Ría de Noia, onde a Xunta ten previsto investir este ano 285.000 euros na dragaxe do seu leito cheo de materiais pesados, e tamén figura o nome de Albada, a planta de tratamento de residuos sólidos urbanos de Nostián, na Coruña. Este vertedoiro de Miramontes está autorizado para recibir 80.000 Tm/ano, cando Santiago de Compostela produce 30.000 Tm/ano. Deste xeito, non se está a seguir un dos principios básicos da ecoloxía de evitar o desprazamento de residuos a lugares afastados de onde se xeran para seren tratados. Sen peche perimetral Na autorización deste vertedoiro, a Xunta condicionou a declaración de impacto ambiental a dispor dun "peche perimetral de malla metálica, de tipo cinexético, que impida a entrada de animais, cunha altura non menor de 1,5 m sobre a rasante do terreo". Tanto a canteira como o vertedoiro non contan cun valado que impida acceder ás instalacións, dunha superficie de 4,5 hectáreas, o equivalente a 6 veces a praza do Obradoiro. Nese mesmo documento figura que "para todo o ámbito de traballo se tomarán as medidas necesarias para garantir a ausencia de arrastres sólidos e escorregas que poidan rematar directa ou indirectamente nas augas superficiais e subterráneas". Mais na actualidade hai, cando menos, dúas grandes balsas onde se acumula líquido viscoso de cor escura que desprende burbullas froito dun proceso de fermentación química, ademais do característico olor a putrefacción do que se queixa a veciñanza da Grixoa. Estes depósitos non contan con sistema de protección visíbel nin tampouco semellan ter impermeabilización do solo; están escavados e delimitados por granito, xabre e terra. Este é outro dos motivos de preocupación dos habitantes da contorna que non dispoñen de traída municipal e obteñen a auga de pozos e mananciais próximos a este lugar. A asociación veciñal "Monte Longo" mantivo tres xuntanzas entre marzo e abril tanto co alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, como co responsábel de Medio Ambiente, Xan Duro, para poñeren no seu coñecemento esta situación e a súa inquedanza porque en Grixoa cada vez ven circular máis camións cargados de pilas e do Sergas cara ao vertedoiro, explican. Entre os sistemas e procedementos para evitar as verteduras que figuran na autorización, determínase que se "extremarán as precaucións, retirando o antes posíbel os vertidos derramados para evitar a contaminación de solos e augas subterráneas". "Para todo o ámbito de traballo tomaranse as medidas necesarias para garantir a ausencia de arrastres sólidos e escorreduras que poidan rematar directa ou indirectamente nas augas superficiais e subterráneas". Advírtese ademais que "se estas anomalías implican riscos para a saúde das persoas ou poden prexudicar gravemente o equilibro dos sistemas naturais, suspenderase inmediatamente a actividade". |
NOS_23315 | A chuvia, o vento e as condicións do mar manteñen en aviso varias zonas da Galiza | A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral noroeste e norte da Galiza. Segundo informa a Xunta nun comunicado, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) alerta dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa en alta mar entre Prior e Bres, con vento do suroeste-oeste de forza oito, nas Rías Altas e no litoral da Mariña. O clima, na Galiza, comeza o ano certificando un cambio de tendencia A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa: diques, rompentes e paseos marítimos. E recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar mais que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Vento e chuvia O vento, a chuvia e as condicións do mar deixarán, ademais, outras zonas da Galiza en aviso ao longo da xornada. A maior concentración de chuvia no tempo, principal desafío climático As inclemencias meteorolóxicas manteñen as Rías Baixas en alerta amarela. Tamén se esperan fortes xeiras de vento de máis de 80 quilómetros por hora na Mariña e nas zonas de montaña do interior. As previsións apuntan chuvias de máis de 40 litros por metro cadrado en 12 horas na marxe atlántica. |
NOS_15964 | Culturgal, a feira galega das industrias culturais, atinxirá o vindeiro mes de decembro a súa décimo primeira edición. Farao baixo o lema Ti levas o compás. Agora acaba de abrir o prazo para recibir porpostas de programación, que se estenderá ate outubro. | "Habitualmente recibimos unhas duascentas propostas, das que no programa entran aproximadamente unhas 120", expuxo esta segunda feira o director da mostra, Xosé Aldea. Participou na presentación do Culturgal no Pazo da Cultura de Pontevedra acompañada do presidente do mesmo, Xulio Amigo, da concelleira de Cultura da cidade, Carmen Fouces, do director da Agadic Jacobo Sutil e do deputado de Cultura da Deputación Xosé Leal. Nos últimos anos, lembrou Aldea, os postos esgotáronse antes de rematar o prazo. E iso que este 2018, como en 2017, haberá "Espazo de Arte Contemporánea", na sala de exposicións do Pazo da Cultura. Serán mil metros cadrados a maiores. A comparecencia ante a prensa desta segunda feira serviu tamén para anunciar "os espectáculos especiais" deste 2018. Así, o sábado 1 de decembro actuará Carlos Núñez. A xornada anterior, Inversa Teatro representará Sofía e as Presocráticas. O domingo 2, OVIRAVAI e Xoán Curiel. Culturgal conta con imaxe gráfica de Pepe Barro. O seu lema para este 2018, Ti levas o compás, "quere outorgarlle o protagonismo da feira ao público, que é a razón do éxito do Culturgal ao longo do tempo". "A feira conta cun importante patrocinio da Xunta a través de Agadic", sinala Culturgal nunha nota remitida aos medios de comunicación. Segundo os datos do propio Goberno galego, son 65.000 euros, 10.000 máis que na pasada edición. O Concello de Pontevedra e mais a Deputación provincial tamén achegan orzamento. Este ano, por primeira vez, haberá unha colaboración especial do ente provincial da Coruña. Da Asociación Culturgal fan parte as asociacións culturais "máis representativas do sector". Nota: cartaz de Pepe Barro para o Culturgal. |
NOS_3896 | A pesar das múltiples chamadas que este xornal realizou ao gabinete de comunicación do PP, a formación que goberna a Xunta deu a calada por resposta e Alberto Núñez Feixoo limitouse a alegar que non tiña "información" da resolución asinada pola súa secretaria de Medios, Mar Sánchez. | A pasada semana unha resolución do Goberno galego asinada pola daquela aínda secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra, excluía máis un ano Nós Diario da liña de axudas dirixidas a xornais impresos. A Administración galega xustificou a súa resolución nun único argumento, o mesmo que exhibiu da última vez. Mantén que Nós non é un 'diario' ao se publicar de terza feira a sábado, malia que a Oficina de Xustificación da Difusión (OXD), órgano de referencia nas bases reguladoras, define "diario" como a "publicación diaria impresa en papel que se edita catro ou máis días por semana". Aliás, a convocatoria non achega unha definición concreta de 'diario'. A Xunta da Galiza exclúe outro ano máis 'Nós Diario' das axudas á prensa escrita A exclusión de Nós Diario en 2021 da repartición de subvencións motivou a presentación dun recurso contencioso administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), actualmente en fase de tramitación. Aliás, A Mesa pola Normalización Lingüística denunciouno ante o Consello de Europa alegando o "incumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas". A oposición pide "obxectividade" fronte á "discrecionalidade" Nós Diario quixo coñecer tamén a opinión dos grupos políticos con representación no Parlamento da Galiza sobre a exclusión desta cabeceira das axudas da Xunta á prensa escrita. Desde o BNG, o deputado Iago Tabarés sinalou a este xornal que é "paradoxal" que "estas axudas que teñen que estar para fomentar a lingua e a cultura propias da Galiza exclúan os medios que utilizan a lingua galega e a promoción da cultura galega". Para el, a "obxectividade" debe ficar "sempre por diante da discrecionalidade". Pola súa parte José Manuel Laxe, secretario de organización do PSdeG, puxo o foco nos contratos publicitarios que asina o Goberno galego con diferentes medios e que en boa parte dos casos non están suxeitos aos procedementos de concorrencia competitiva. María Obelleiro: "O xornalismo en galego é posíbel a pesar da Xunta" "Precisamos dunha regulación da publicidade institucional", dixo, e engadiu que actualmente "carecemos dun marco normativo" e iso fai que "o nivel de discrecionalidade sexa moi amplo e permita situacións anómalas coma as que coñecimos estes días". Noutra orde, a pesar das múltiples chamadas realizadas nos últimos días ao gabinete de comunicación do Partido Popular, a formación do goberno non deu resposta ningunha. E a pasada semana, preguntado por este xornal, o presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, limitouse a alegar que non tiña "información" dos procedementos que asina a secretaría xeral de Medios, que, porén, depende directamente de Presidencia. O xornalismo urxe transparencia na repartición de axudas da Xunta á prensa |
NOS_46903 | O conxunto vigués empatou a dous tantos (obra mestra de Pablo e penalti de Nolito) en Madrid fronte ao Atlético e segue sen coñecer a derrota nun comezo de campaña moi prometedor, con fases de grande xogo. | Unha primeira parte que, de novo, amosou a un equipo de categoría europea -como indica a clasificación- que despois mostrou fases de bo xogo que remataron cun empate a dous tantos do Celta na casa do campión de Liga, un Atlético de Madrid que nunca amosou ter máis fútbol que os vigueses, pero obtivo un punto porque posúe un bo ataque, quizais inferior ao dun Celta que segue cuns rexistros anotadores altos, pero sofre máis atrás, pero en todo caso está asinando un comezo de campaña moi prometedor, que apunta a altas cotas que, primeiro, pasarán en breve a reválida do derbi galego. Volveu levar un susto o Celta na prolongación, pero o árbitro anulou xustamente un gol madrileño que supoñía a derrota Adiantouse o Celta no marcador por medio de Pablo Hernández (co calcaño, nun recurso xenial, un autñentico golazo) após un eléctrico e poderoso arrinque dos celestes, que mantiveron o nivel durante toda a primeira metade, malia que Miranda colocou no marcador un inxusto empate no minuto 30. Na segunda parte, o Atlético mellorou, mesmo púxose por diante por medio de Godín, pero de penalti foi Nolito quen firmou a igualada final, que a piques estivo de ser, outra vez, derrota celtista (destacábel foi nese caso a boa actuación de Sergio na portería) incluído susto na prolongación, pero o árbitro anulou por fóra de xogo, que era, un tanto local. Ao remate, meritorio punto para os de Berizzo en Manzanares. |
NOS_30300 | A situación preocupa ao equipo do secretario do líder do PSdeG. Tanto o CIS como a empresa Sondaxe revelan malos resultados. Hai quen ve en Valentín González Formoso ou Carmela Silva un posíbel relevo. | As enquisas, enquisas son, porén as coñecidas na última semana preocupan moito no equipo de Gonzalo Caballero. As fontes socialistas consultadas por Nós Diario sinalan que os datos recollidos nas recentes sondaxes volven abrir a ferida pola que sangra o Partido Socialista da Galiza (PSdeG) desde as eleccións galegas de xullo e danlle munición grosa a aqueles sectores da organización que culpan a Caballero do fracaso electoral e apostan por unha mudanza na secretaría xeral do PSdeG. A este respecto afirman que "cando coñecemos o traballo do CIS mesmo pensamos na posibilidade de que os datos viñesen cociñados por Ferraz para empuxar o recambio de Caballero". O estudo postelectoral do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) foi o primeiro golpe. A sondaxe elaborada polo instituto público na Galiza, cunha mostra de máis de 3.000 persoas e un traballo de campo realizado entre o 8 e o 22 de setembro sitúa a portavoz do BNG, Ana Pontón, como a dirixente política mellor valorada, cunha nota media de 5,9, seguida do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, con 5,5 e ficando Caballero con 4,3. Ademais o seu nivel de aprobación é practicamente homoxéneo na esfera territorial, 26% dos entrevistados e entrevistadas significaron que o seu voto nos comicios galegos de xullo estivo condicionado pola simpatía co candidato á presidencia da Xunta e 8 de cada 10 puxeron de manifesto a súa disposición a repetir o sufraxio emitido en xullo. A enquisa elaborada pola empresa Sondaxe confirmou boa parte das tendencias do traballo do CIS. Ana Pontón aparece outra vez coa nota máis alta, con 5,73 sobre 10, a continuación sitúase Feixoo, con 5,63, e Gonzalo Caballero suspende con 4,11. Os mellores números para o dirixente socialista proceden da circunscrición electoral de Pontevedra, con 4,27. Porén, este último dato pode resultar enganoso, por ser o territorio no que o PSdeG consegue os seus mellores resultados e a porcentaxe de voto é superior á media, impulsada, en boa medida, polo comportamento electoral de Vigo, feudo do seu rival interno e parente, Abel Caballero. Os sectores enfrontados a Caballero debullan estas enquisas para cargarse de razóns na súa batalla interna. Nesta liña, aseguran que "na Galiza sempre se deron comportamentos diferentes en función dos procesos electorais, mais a diferenza en intención de voto entre unhas eleccións galegas e unhas xerais manifestada na enquisa de Sondaxe non é normal". Ao tempo, destacan que "os datos recollidos nos dous estudos son practicamente calcados e non apuntan por ningún lado marxe de mellora nuns comicios galegos, nun contexto onde os socialistas seríamos a primeira forza electoral na Galiza nunha eleccións xerais". Caballero está decidido a continuar como secretario xeral dos socialistas e a volver concorrer a como candidato á presidencia da Xunta da Galiza. Conta co apoio da maioría da afiliación e considera que as criticas á súa xestión limítanse a sectores ligados aos aparatos provinciais do PSdeG na Coruña e Pontevedra. A cita congresual dos socialistas galegos do vindeiro ano dará ou sacará a razón a Caballero. As frontes internas de Caballero Gonzalo Caballero chegou á secretaria xeral dos socialistas coa oposición das estruturas de dirección territorial do partido. Coa excepción do secretario xeral dos socialistas ourensáns, Rafael Villarino, e do actualmente do presidente da Deputación de Lugo, José Tome, non conta ao seu lado con dirixentes con poder real no partido. Á coñecida distancia de Gonzalo Caballero co aparato estatal do partido, testada na desbandada de Pedro Sánchez no acto final de feche de campaña das galegas, súmaselle o coñecido enfrontamento cos núcleos de poder do partido en Pontevedra e na Coruña. Precisamente unha parte dos socialistas miran para a referencia da formación na circunscrición e presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, como posíbel relevo de Caballero e outros para a súa homóloga pontevedresa, Carmela Silva. |
NOS_48121 | No 28 cabodano do intelectual Ricardo Carvalho Calero, a Fundaçom Artábria réndelle homenaxe. Será este sábado, 24 de marzo, a partir das 12 da mañá, ao pé das ruínas da súa casa natal en Ferrol. | Un recital a cargo das poetas Loreto de Castro e Lam Couce, a intervención dunha persoa en representación de Artábria e mais unha ofrenda floral será o primeiro estadio da xornada en lembranza do poeta, novelista, ensaísta e pai teórico do reintegracionismo. A seguir, no centro social da Fundaçom Artábria haberá sesión vermú. Cantarán Xoan Padim e Alberte L. Porta, con poemas de Carvalho Calero como base. Hai anos que o tecido social e cultural de Ferrol reclama o Día das Letras Galegas para Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), un dos intelectuais fundamentais na Galiza do século XX. Mais as súas tomas de posición a respecto da normativa ortográfica do galego afastárono de determinados centros culturais, a Academia entre eles. |
PRAZA_13230 | Se a reforma laboral xa era extremadamente agresiva —como dixo o ministro de Economía en Bruxelas—, o seu debate na Comisión de Emprego do Congreso empeorouna significativamente: insiste en contidos que en nada van paliar a situación de crise e que porfían en demostrarnos, cada vez con menos pudor, que o obxectivo desta reforma laboral —como ocorre cos recortes na sanidade, na educación e outros dereitos sociais— é acabar co modo no que conseguiramosempezar a construír un estado social en democracia. | A tramitación parlamentaria da reforma laboral está a servir de exemplo moi ilustrativo das maneiras e actitudes que caracterizan o Goberno do PP e a maioría do Congreso e o Senado que o sustenta. As imaxes en que se ve a Joan Coscubiela, deputado de ICV-Esquerda Plural, reclamándolle á presidencia da Comisión de Emprego do Congreso polo menos o tempo mínimo para poder estudar as emendas transaccionais que o PP pactou con outros grupos da dereita, son unha mostra máis do que para o Partido Popular supón este trámite parlamentario: outra oportunidade de comportarse como unha apisoadora en asuntos que non levaban no seu programa electoral. Sen rubor sequera. Para que? O propio Goberno e o propio PP recoñecen abertamente que estas medidas non crean emprego e, de creáreno, será sen dereitos e con salarios recortados, cuestión que dificulta ás claras a demanda interna e a reactivación económica necesaria Se a reforma laboral xa era extremadamente agresiva —como dixo o ministro de Economía en Bruxelas—, o seu debate na Comisión de Emprego do Congreso empeorouna significativamente: insiste en contidos que en nada van paliar a situación de crise e que porfían en demostrarnos, cada vez con menos pudor, que o obxectivo desta reforma laboral —como ocorre cos recortes na sanidade, na educación e outros dereitos sociais— é acabar co modo no que conseguiramosempezar a construír un estado social en democracia. O propio Goberno e o propio PP recoñecen abertamente que estas medidas non crean emprego e, de creáreno, será sen dereitos e con salarios recortados, cuestión que dificulta ás claras a demanda interna e a reactivación económica necesaria. O PP quere outra cousa. Moléstanlles as mínimas garantías sociais, e rinse na cara das persoas desempregadas e das que traballan en empregos descualificados malia á súa formación, coa insultante ocorrencia de "só" aplicar o contrato que inventaron dun ano de período de proba—durante o cal se pode despedir sen indemnización ningunha— ata que a taxa de desemprego baixe do 15%. Nesa liña, podíaselles ocorrer facer pagar a esas persoas contratadas se son despedidas durante o seu ano de período de proba, como penalización por non ser corresponsables coa situación e por danar a imaxe da nosa economía ao non colmar as expectativas precarizadoras dos mercados e as súas confianzas salvadoras. Se non fose porque é real, parecería un chiste. |
NOS_18641 | Unha tese apunta a que as fases da regra inflúen no tipo de doenzas das futbolistas | Escordaduras de nocello ou distensións de cuadríceps durante a fase folicular do ciclo menstrual representan o paradigma da lesión máis habitual entre as xogadoras de elite de fútbol sala. Así o conclúe o estudo da tese doutoral que Carlos Lago Fuentes defendeu no marco do programa de Doutoramento en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable da Universidade de Vigo. Trátase da primeira investigación centrada no fútbol sala feminino no conxunto do Estado español, un traballo académico no que se aborda o tipo de lesións máis frecuentes entre estas deportistas e propón medidas de intervención neste eido. Baixo a dirección do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Ezequiel Rey, Lago destaca o "carácter pioneiro" dunha tese coa que pretende "botar un pouco de luz" sobre como e cando se lesionan as futbolistas, "un aspecto clave para a a correcta planificación das cargas de adestramento". "De feito -recoñece-, o punto de partida do traballo son as infinitas incógnitas sobre a preparación física e as lesións que a falta de estudos previos foi xerando en min mesmo durante os anos que exercín como preparador físico de equipos de Primeira e Segunda división de fútbol sala feminino". Neste senso, o estudo académico fai énfase na importancia de "deseñar protocolos preventivos específicos" para o fútbol sala feminino, así como en "programar as cargas de adestramento axustándoas ás fases de ciclo menstrual". Conxunto de factores chave Para desenvolver a súa tese, Carlos Lago rexistrou as lesións que, ao longo dunha tempada, padeceron 89 xogadoras profesionais de seis equipos de Primeira División e dun de Segunda, tendo en conta variables como a tipoloxía e gravidade das lesións, mais tamén a fase do ciclo menstrual. Realizada con datos recollidos durante a tempada 2017-2018, a investigación sitúa as escordaduras de nocello e as distensións de cuadríceps como as lesións máis frecuentes entre as futbolistas, representando en conxunto 45% do total. "Estas -explica Lago- prodúcense especialmente en accións sen contacto nos últimos minutos de adestramentos ou partidos, e durante a primeira cuarta parte da liga". A investigación tamén permite constatar que as lesións articulares e ligamentosas preséntanse con maior frecuencia durante a fase folicular do ciclo menstrual, o que leva ao investigador a incidir na "importancia de controlar as cargas de adestramento segundo a fase do ciclo" na que se atopen as deportistas. |
NOS_30522 | Desde que se dera a coñecer co libro A ferida, no ano 2004, a voz de Begoña Paz definiuse por un discurso marcadamente independente e unha consideración tan sensíbel como crúa no tratamento dos temas literarios. | Unha posición complexa, pero que tamén representa un valioso ángulo para a innovación que nos permite abrir cada unha das súas achegas coa certeza da sorpresa e o desafío. Caixa das bestas / Begoña Paz / ed. bilingüe español /galego / Baile del Sol / 2020 / 160 páxinas / 15 euros Non é diferente neste libro de poesía, unha peza que, de forma elocuente, comparte unha característica editorial co seu primeiro poemario A mala vida (2011): a de ser acollido por unha casa de fóra da Galiza localizada nun territorio insular. Elementos que poderían quedar no anecdótico pero nos que é case imposíbel non detectar unha certa simboloxía, e é que a poesía de Begoña Paz tivo máis fortuna fóra do país que dentro e tamén resulta complexa de encaixar nas liñas máis recoñecíbeis da lírica contemporánea galega. A sensación de estar ante un libro diferente parte xa das propias características da edición, cunhas ilustracións compostas por collages da propia autora e que combinan coa sensación de desasosego na que nos introduce a súa poética. Un discurso centrado nunha concepción pouco usual da feminidade, como xa nos alerta o título da súa primeira parte ("Citoloxía") e que se despega tamén da clásica enunciación intimista en clave persoal para procurar un enfoque innovador. Porque, se cadra, unha das cousas que máis chame a atención desta proposta poética é como o eu feminino en primeira persoa aparece multiplicado ante unha contraparte singular, creando así un discurso sobre a paixón que evoca a descrición indagadora dun fenómeno e permite camiñar por espazos pouco transitados (cegas / pasivas / tolleitas / somos / aceptables / só entón / é quen de / dicir / que nos / ama). A perspectiva de Begoña Paz apunta a unha visión do desexo dura e complexa, a medio camiño entre quen trata de explicar un acontecemento que non é individual, pero tampouco desiste de amosar as propias feridas. Polos seus escenarios pasean as bestas dispostas a devorar o obxecto desexado, e a paixón pode desencadear mutilacións e feridas que requiran dunha reconstrución na forma de bostelas (estamos deixando / medrar / esta nova / pel / amor / alimentándoa / con todo o / teu / desprezo). Unha achega diferente que nos convida a ollar baixo outras perspectivas a realidade da experiencia amorosa e que permite que a voz da autora volva ecoar nas nosas letras. |
NOS_34123 | Mergullámonos nas redes sociais para coñecer a opinión das forzas parlamentares da oposición sobre a remodelación do Goberno de Feijóo. | Tras o anuncio da remodelación sorpresa no Goberno de Feijóo, as redes sociais comezaron a ferver con numerosas apreciacións, entre as que destaca a celebración da destitución de Rosa Mosquera como conselleira de Sanidade tras a nefasta xestión do novo hospital de Vigo. Consultamos os perfís dos líderes da oposición. O líder do PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou no Twitter que "Feijóo eméndase a si mesmo no tempo de desconto do seu mandato. Admite o fracaso da súa xestión sanitaria e do seu goberno #CrisedeGoberno". Tamén sinala que "Feijóo lidera agora mesmo un goberno en crise que deixa un país en crise #CrisedeGoberno". Yolanda Díaz, portavoz de AGE, sinala no seu perfil de Twitter que "As mareas organizadas tumban a Mosquera!! A loita organizada, coma sempre, move á roda" #mosqueradimisión". Tamén afirma que "o éxito da mobilización cidadán en defensa da sanidade pública forza o cese da conselleira de sanidade. Noraboa!" e que "o PPdeG e Feijóo ven a súa derrota no outono de 2016. Colócase na parrilla de saída e teme á Unidade Popular". O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, pon de manifesto que "Feijóo recoñece o fracaso do seu goberno e intenta aparentar cambio á vista das eleccións endilgando o queime @s cesad@s #tardepiaches". "Feijóo nomea Conselleiro ao que vai ser xefe de campaña electoral do PP para as xerais e así pagarémoslla tod@s @s galeg@s", engade. Sobre a mudanza na Consellaría de Traballo e Benestar, Vence salienta en Twitter que "despois dos escándalos de corrupción na Consellaría de Traballo, a Beatriz Mato créanlle a de Medioambiente #políticadeespeciesprotexidas". "O desastre sanitario, con recortes e privatizacións, non era cousa só da concelleira. É o fracaso de Feijóo e do #PPPúblicoPrivado", opina. Tamén valorou as mudanzas na Xunta de Galiza o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, quen afirma que "Feijóo intenta salvar un goberno morto, mais sinto dicirlle que a resurrección non existe". Engade que "Feijóo intenta evitar que o fiasco da sanidade e do leite o leven por diante. A boas horas, mangas verdes #tardepiaches". |
NOS_44423 | O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, destacou nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega que a formación nacionalista está a vivir un proceso de aumento de militancia, en especial, xente nova que está a ver a urxencia dun compromiso maior, dada a gravidade da crise. Ao seu ver, moit@s nacionalistas non entenden que se apoie unha lista estatal nas europeas. | Xavier Vence destacou a entrada no BNG de militantes que buscan un maior compromiso nun país "ao que están levando pola senda da destrución". A reacción política de xente nova súmase tamén, segundo dixo, o regreso á organización dalgunhas persoas que a abandonaran nos últimos, en especial, despois da última asemblea nacional. "Xente que ve no BNG a única opción para poñerlle fronte a esta situación e queren buscar alternativas e organizarse politicamente", dixo Vence, destacando, en especial, a vontade da organización en ser un "proxecto maioritario na sociedade que aspira á unidade de acción de todas as forzas que compartimos obxectivos. O BNG aprobará o seu programa eleitoral para as europeas no Consello Nacional que realizará o 5 de abril "Temos como obxectivo recuperar un amplo espazo do nacionalismo que ten que ser maioritario nesta sociedade e cómpre estruturar arredor dunha organización nacionalista potente", sinalou Xavier Vence ao tempo que, en relación á integración de Anova na lista de IU, valorou que "os nacionalistas e a súa base social non poden entender que se apoie unha forza estatal e que se lle entregue a representatividade que temos como país, polo que é moi probable que a base nacionalista se decida a votar opcións xenuinamente nacionalistas". Presenza garantida na UE Lamentou Vence que a vontade do BNG dunha "candidatura do nacionalismo de esquerdas deste país e do País Vasco e Cataluña" non se puidera materializar, mais mostrou o seu optimismo en que Galiza estivera representada a través de Ana Miranda, a candidata que ocupa o posto número 2 na coligación con EHBildu. Preguntado polos termos do acordo coa forza vasca para o reparto no Parlamento no caso da coligación só sacar un escano, Vence afirmou que "está garantida a presenza directa no grupo parlamentar desde o primeiro día até o último e a repartición do tempo no Parlamento en función do resultado que obteña cada parte, cantos máis votos teña o BNG maior será a presenza da súa eurodeputada no caso de só ter un escano". Canto ás xuntanzas por sectores que a formación está a ter por todo o país, Vence destacou que están a palpar que a situación económica vai cada vez a peor e "o sufrimento das familias vai en aumento e das empresas é cada día máis difícil". Ao seu ver, as políticas do PP non están a traballar polo relanzamento da económica e, contra esta situación, o BNG quere "levar a Bruxelas a defensa da nosa economía produtiva, que é a grande preocupación da cidadanía". Quedará reflectido nun programa electoral ao que se lle están sumando achegas recollidas en todos os encontros e que xiran fundamentalmente arredor de primar a economía produtiva fronte ao modelo que se impón na UE de potenciar a financieira. O programa de cara aos comicios europeos será debatido e aprobado no Consello nacional do próximo 5 de abril. |
PRAZA_19804 | En abril de 1947 botou a andar na radio pública británica a primeira programación radiofónica estable en lingua galega, parte "da estratexia do galeguismo para estar presente no espazo internacional" tras o golpe franquista DOCUMENTO | Guión do primeiro 'Galician programme' na BBC | DOCUMENTO | Guión do primeiro 'Galician programme' na BBC "Emisora de Londres da BBC. C'o programa d'ista noite damos comenzo as nosas transmisiós en língoa galega". Así comezou o 14 de abril de 1947, hai este sábado setenta anos, o primeiro programa en galego na radio británica, que deu en ser a primeira programación radiofónica estable en idioma galego. A Real Academia Galega conserva nos seus arquivos máis de oitenta guións daquel Galician Programme, que achegou tamén a Galicia voces vetadas no país ata que, en 1956, "as presións" da ditadura franquista lograron botarlle o ferrollo. O tema popular escocés Cock of the north serviu como introdución musical daquel primeiro programa que, editado e conducido polo xornalista ourensán Alejandro Reimúndez baixo o pseudónimo Javier Fernández, formaba parte da "estratexia do galeguismo para estar presente no espazo internacional da comunicación logo da desfeita da Guerra Civil", explica o presidente da RAG, Víctor Freixanes. Foron "principalmente vellos militantes do Partido Galeguista" quen impulsaron esta "acción estratéxica dende o exilio interior", no que xa xermolaba o grupo Galaxia. "Naqueles tempos arriscados -sinala Freixanes- xestos aparentemente tan sinxelos estaban cargados dunha poderosísima significación simbólica e política" e por iso "parece de xustiza lembrar non só os seus promotores, senón todos os colaboradores que o fixeron posible". Entre esas colaboracións figurou de xeito senlleiro a de Francisco Fernández del Riego, quen recibiu a "encomenda" de "procurar colaboracións periódicas para o programa galego", que se emitía cada tres semanas, en edicións alternas con espazos en euskera e catalán. A radio formaba parte "da estratexia do galeguismo para estar presente no espazo internacional da comunicación" tras o golpe franquista, explica Freixanes As achegas de intelectuais, escritores e músicos foron diversas, con nomes tan destacados como Xosé María Álvarez Blázquez, Otero Pedrayo, Ánxel Fole, Carvalho Calero, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Villar Ponte, Pura Vázquez, Rafael Dieste, Manuel María ou Faustino Santalices. E xunto a todos eles, un dos galegos máis internacionais da época: Plácido Castro, que como traballador da BBC elaborou once guións do programa, no que tamén foi locutor. A doazón de Alejandro Raimúndez -xornalista ata o golpe franquista en publicacións como Nós ou El Pueblo Gallego e correspondente na II Guerra Mundial para La Vanguardia- permite conservar nos arquivos da Academia uns guións que retoman os primeiros traballos radiofónicos, os desenvolvidos na Galicia interior durante a II República. Así, por exemplo, a primeira emisora de radio do país, a compostelá Radio Galicia, foi un dos soportes de expansión da campaña do Estatuto do 36 mediante discursos de persoeiros como Enrique Rajoy e tamén emisións de entretemento como as protagonizadas por Xosé Mosquera, 'O vello dos contos'. A radio, subliña Freixanes, foi durante o franquismo vehículo de "resistencia democrática dende o exterior", xa fose con estes programas realizados na BBC británica ou nas "emisións para as colectividades galegas de América", caso do programa Sempre en Galiza, realizado dende Montevideo na década dos 50, ou o Galicia emigrante que dirixiu Luís Seoane na Arxentina dende 1954 e ata 1971. Nos últimos anos do franquismo as emisións galegas chegaron tamén dende o exilio en Portugal da man de Margarita Ledo. |
NOS_57498 | Pódese dicir que Clark estivo na fundación desa metamorfose das vellas músicas do Sur dos EEUU denominada "Americana". Mais Guy e Susanna foron tamén anfitrións xenerosos de toda unha nómina de artistas única: Waylon Janning, Emmylou Harris, John Prine, Steve Early, Townes van Zandt… | "Algún día regresarás a Texas, Guy Clark, coa ollada máis calma e o corazón máis pleno..." Iso, tal vez, foi o que este poeta de fronteira se repetía nos días estraños de saudade, alí, no seu exilio de Nashville. Porque naquel territorio houbo un día unha estirpe excelsa de cantantes errantes e xeniais. Desde os manglares febrís de Alabama ás minas de Kentucky, desde os territorios de morte e flor de espiño de Texas e Kansas até aos nomes sitiados de Tucson. Guy Clark pertencía a ela, a esa mesma estirpe, a aquel país sen doma, un país que era todo el como unha entraña fonda, a materia dunha música que contaba vellas historias, que daba voz ás sombras, que recollía a tradición das cancións dos emigrantes, dos escravos, dos braceiros. E, de todo iso, saiu unha música cunha pureza extraordinaria; de todo iso foron agromando de novo o country, o folk, o bluegrass. Guy e Susanna Clark desenvolveron, para alén dunha dedicada e entusiasta carreira musical, un traballo de renovación do country e do folk. Guy Clark contaba que, na súa infancia en Texas, como non había nin televisión, logo da cea, sentaba na cociña humilde onda os seus pais e xuntos lían poesía en voz alta e contaban historias. Lían os poemas de Robert Frost e lembraban os episodios da vida, das xentes de seu, como se for un rito herdado desde o comezo do mundo. Era o tempo en que aínda se sentía medrar a noite fóra e mais os coiotes ouvear ao lonxe, onde nacen os tronos. As primeiras cancións que aprendeu o cativo Guy foron melodías mexicanas e esas músicas serían, quizais, o seu patrimonio último. Elas e o coitelo que lle deu o seu pai en prenda, presente logo no tema "The Randall knife". Mais Guy Clark deixaría Texas e, xunto á súa esposa Susanna -tamén cantante e a quen Guy lle dedicaría "My favorite picture of you", doce e conmovedora-, marcharía para ese lugar mítico que sempre foi Nashville, unha terra prometida para a música dos EEUU. Alí, Guy e Susanna Clark desenvolveron, para alén dunha dedicada e entusiasta carreira musical, un traballo de renovación do country e do folk. Pódese dicir que Clark estivo na fundación desa metamorfose das vellas músicas do Sur dos EEUU denominada "Americana". Mais Guy e Susanna foron tamén anfitrións xenerosos de toda unha nómina de artistas única: Waylon Janning, Emmylou Harris, John Prine, Steve Early, Townes van Zandt… Xentes que chegaban a Nashville, en moitos casos, sen apenas medios de vida. Un documental de 1981, Heartworn Highways, recolle a filantropía dos Clark na década de 70. "L.A. Freeway", "Desperados waiting for a train" ou "Magnolia wind" son algunhas das mensaxes máis fermosas de Guy Clark; tamén algunhas das máis sabias, porque a súa música estivo transida de lucidez e pode ser sentida así como un feixe de consellos esenciais para nos salvar da escuridade: que a poesía une os homes, que o heroísmo non é definitivo, ou que a saudade está mesmo naquilo que achamos efémero. Até os seus últimos días, Guy Clark mantivo aquela presenza súa como de xamán estoico, mais, de certo, soñaba aínda con Texas, coas súas historias de outrora. Con iso e mais co vento da magnolia. |
NOS_25696 | O coñecido como Pacto de Agressão ou Memorando de Entendemento asinado pola Troika e o goberno luso cumpre tres anos. Representantes políticos, sindicais e sociais do país veciño analizan as consecuencias do resgate financeiro a Portugal. Mércao xa na nosa loxa. | Os 'homes de negro' chegaron a Portugal en 2011. Eles son os encargados de ditaren as medidas políticas e económicas que baixo a escusa dunha saída á crise, están a desmantelar os servizos públicos, reduciren salarios e pensións, eliminan dereitos sociais e laborais... Esta semana, editamos un caderno monográfico no que avaliar as consecuencias dos tres anos da Troika en portugal. Coordenado por Duarte Correa, achegamos oito páxinas que conteñen as reflexións deitadas por representantes políticos, sociais e económicos do país veciño. O integrante da Comissão Executiva da CGTP-IN, João Torres, a licenciada en Relacións Internacionais e dirixente do Bloco de Esquerdas, Joana Mortágua, o economista do Banco de Portugal, Octávio Teixeiro ou o columnista e activista de movementos sociais, Tiago Mota, son algunhas das sinaturas que atoparás esta semana no A Fondo. As voces que congregamos neste caderno chaman a se mobilizar para recuperar os dereitos roubados e confrontar directamente a UE Un caderno en que nos debruzamos sobre "a desgraza", sinalan, que supuxo para Portugal non só a aterraxe dos respresentantes da Troika senón a xestión política que se está a facer da crise por parte do goberno Passos-Cavaco. Tres anos de perdas salariais e violacións dos dereitos máis elementais, porén, tamén tres anos de loita e "resistencia", subliñan as voces que conforman esta pequena aproximación á realidade lusa. "Hai que mobilizar unha maioría social para a reivindicación da devolución dos dereitos roubados e para o confronto directo coa Europa", recalcan, nun tempo en que "con manifestacións", aseguran. "isto xa non vai lá". Podes mercalo nos quiosques e librarías do país, mais tamén na nosa loxa por só 0,50€. |
NOS_7797 | A bancada popular rexeita a solicitude do BNG alegando que agora a "prioridade" é a extinción do fogo e que comparecerá unha vez rematada a tempada de alto risco de incendios, isto é, entre setembro e outubro. | O PP rexeitou esta quinta feira a solicitude do BNG para que comparecese na Cámara o conselleiro do Medio Rural, José González, até que remate a época de alto risco de incendios —oficialmente ata o 30 de setembro, ampliábel a outubro—, alegando que agora a "prioridade" é a extinción dos fogos forestais. Así, a vicepresidenta da Cámara e portavoz no debate, Elena Candia, defendeu que o titular deste departamento comparecerá máis adiante: "Todos os medios teñen que estar a se ocupar do urxente e o importante". Aliás, a deputada popular referiuse ás axudas anunciadas pola Xunta da Galiza para a rehabilitación das vivendas e, como fixo o propio titular do Executivo, Alfonso Rueda, pediu a colaboración das administracións locais para que se tramiten con axilidade. Tamén manifestou a necesidade de alcanzar un "pacto autonómico" no país contra os incendios forestais. Denuncian falta de medios en Castrelo de Miño: "Se o hidroavión chegase antes non se descontrolaría o incendio" A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, foi a encargada de expor a solicitude formulada na Deputación Permanente —o órgano que substitúe o pleno en períodos non hábiles— e, en contraposición á negativa, defendeu que o conselleiro ten a "responsabilidade de render contas" ante o Parlamento da Galiza, máis aló de que estea "ben" que vaia a visitar concellos. Pontón advertiu do "desastre" económico, social, ambiental e, ao mesmo tempo, sentimental que supuxeron os incendios aínda sen apagar completamente no Courel e Valdeorras. "O Parlamento non pode estar de vacacións mentres a Galiza arde", salientou. BNG e PSdeG urxen a comparecencia de José González O PSdeG, pola súa parte, deu o voto a favor da comparecencia do titular de Medio Rural. A través da súa deputada Carmen Rodríguez Dacosta expresouse en termos similares a respecto da situación ambiental. Tamén se preguntou "onde" estaba a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a quen tamén pediu explicacións polo "desastre" ambiental, especialmente no parque natural do Invernadeiro, titularidade da Xunta desde 1974. |
QUEPASA_444 | Na primeira Xunta de Goberno Local do 2020 foron aprobados varios programas culturais e as bases do Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís | A Xunta de Goberno Local aprobou na súa primeira xuntanza do ano varias propostas relacionadas coa intensa actividade cultural que se desenvolve no concello, entre elas os prezos públicos para os espectáculos que se desenvolven no auditorio do Pazo da Cultura ao longo do ano, que se manteñen sen cambios. Por unha banda establécese un prezo xenérico de 3 euros para actuacións de grupos profesionais que non vaian dirixidas a un colectivo concreto. Por outra, para os espectáculos da Rede Galega de Teatros e Auditorios fíxanse uns prezos mínimos que poden oscilar entre 3 e 5 € en función dos cachés dos artistas. Os colectivos de maiores de 60 anos, menores de 18 e posuidores de carné de estudante beneficiaranse dunha bonificación do 40%. Na sesión de hoxe tamén foi aprobada unha solicitude de subvención á Axencia Galega de Industrias Culturais por importe de 32.734,14 euros para a organización do Festival Carballo Interplay 2020. Coa Agadic tamén se aprobou a sinatura dun convenio de colaboración para a xestión da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios do 1º semestre do ano, que inclúe, por exemplo, os Venres Coolturais. Dentro do mesmo programa, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou a programación do ciclo de cine euroárabe Amal en Ruta. A Xunta de Goberno Local deu o visto bo, así mesmo, ás bases do XXII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís e aos convenios de colaboración coa Fundación Luis Calvo Sanz e Interfilm Carballo para o financiamento de algúns dos premios. |
NOS_16535 | Cinco anos do xuízo político que a apartou da Presidencia do Brasil. | Cando se fan cinco anos da súa destitución como presidenta do Brasil, Dilma Rousseff manifestou nunha entrevista a Focus Brasil, publicación vinculada ao Partido dos Trabalhadores (PT) en que milita, que o Goberno do actual mandatario, Jair Bolsonaro, está "flertando com a possibilidade de um golpe dentro do golpe", xa iniciado ─sostén─ en 2016 co impeachment que a sacou do cargo. "O golpe ocorreu em 31 de agosto de 2016. O que estamos vivendo agora é a possibilidade de um novo golpe baseado nas formas derivadas da guerra híbrida", asegurou a política do Partido dos Trabalhadores (PT). "Lá atrás, houve um golpe parlamentar, judiciário e midiático. Mas, sobretudo, um golpe do setor financeiro, do capitalismo financeirizado. Un golpe neoliberal", dixo, e engadiu: "Não houve uma intervenção clássica militar, mas uma manipulação das regras legais. Ali aconteceu uma ruptura violenta contra o statu quo da democracia". Rousseff enmarcou o procesamento do seu predecesor e compañeiro de partido, Lula da Silva, neste propio "golpe". "O ato seguinte ao golpe do impeachment foi a prisão do Lula [em abril de 2018]. Ali, o que se queria era inviabilizar a possibilidade dele vir a ser candidato. E, portanto, estaria garantido o processo de reprodução do próprio golpe", argumentou. Rousseff considera que na altura, "se o Lula é eleito, o golpe seria interrompido". Con todo asegurou que "não bastou prendê-lo". "Afinal, ele não perdeu a popularidade que desfrutava. Ainda era competitivo. E não perdeu a confiança do povo". Foi entón, relata a expresidenta que se deu paso a "um novo ato do golpe: a interdição de Lula do processo eleitoral". "Ele é condenado, preso e, finalmente, tiraram-no das eleições de 2018. Não pode falar e nem fazer campanha. O golpe foi se aprofundando. E já tinham tirado o gênio da garrafa", explicou. 7 de setembro De volta ao presente, a expresidenta brasileira advertiu de que as manifestacións do próximo o 7 de setembro son un "ensaio" do "golpe dentro do golpe". Ese día, coincidindo co Día da Independencia, está convocada no Brasil unha gran manifestación de apoio a Bolsonaro e en protesta contra o Parlamento e a xustiza. Evanxelistas, ruralistas, monárquicos, mais tamén policías e militares, estarán presentes na marcha, á que xa acudirá o propio presidente. O que os une a todos é o apoio á reelección do ultradereitista e o repudio á volta da esquerda, representada por Lula da Silva. |
NOS_20815 | As doenzas víricas son especialmente graves nos pobos orixinarios, e xa causaron unha grave diminución da súa poboación no Brasil durante o século XX. Agora as denuncias de abandono dos indíxenas ante a Covid son perseguidas polo Goberno, que usa contra eles o organismo nacido no ano 1967 para defendelos: a Funai. | "A perseguição desse governo é inaceitável e absurda! Eles não nos calarão!", escribía na súa conta do Twitter Sonia Guajajara tras ser chamada a declarar pola Policia Federal do Brasil. "Vamos a luta!", apuntaba na mesma rede social Almir Narayamoga, que acompañaba a entrada cunha fotomontaxe del e de Guajajara, baixo a mensaxe: "As intimidações não calarão nossas vozes. Guajajara e Narayamoga son líderes indíxenas no Brasil. Ela é coordinadora executiva da APIB (Articulação dos Povos Indígenas do Brasil), a principal organización aglutinadora das asociacións do movemento de pobos orixinarios no país. El é líder dos Paiter Suruí, alén dun activista pola defensa da Amazonia que lle custou numerosas ameazas de morte. Ambos os dous foron acusados pola Fundação Nacional do Índio (Funai) de difundir mentiras contra o Goberno do presidente Jair Bolsonaro. No caso concreto de Guajajara, a Funai pediu a apertura dunha investigación por causa da serie documental en Internet, Maracá – Emergência Indígena. O proxecto audiovisual "pretende mobilizar nas redes apoio ao plano emergencial construído pelos povos indígenas para enfrentar este momento" de pandemia, afirma a APIB. Porén, a Funai sostén que a serie de oito episodios ─dispoñíbel en YouTube─ "estaria imputando ao Governo federal a prática de genocídio, disseminando fake news". De acordo cos datos recompilados pola APIB, a día de onte había 163 pobos orixinarios afectados pola Covid-19, cun total de 53.329 persoas contaxiadas e 1.060 falecidas. A organización indíxena considera que o Goberno de Bolsonaro non está a protexer debidamente a poboación orixinaria do Brasil (arredor de 850.000 persoas), especialmente vulnerábel á Covid. Neste argumento é que asenta a súa acusación de xenocidio. O raposo no galiñeiro Nesta mesma xornada, ademais, a APIB anunciou que presentara un recurso para o arquivamento da investigación contra Guajajara, xa que "os tipos penais invocados" carecen de "indícios mínimos capazes de deflagrar uma investigação penal". Os avogados da coordinadora sosteñen que a líder indíxena está a ser "cerceada em sua liberdade de expressão". A propia Guajajara, segundo recolleu o xornal conservador O Globo, afirmou que "é claro que a gente recebe isso como um forma de intimidação para as lideranças que estão se opondo às ações ou omissão do Governo federal" na loita contra o coronavirus. "O Governo federal mais uma vez tenta criminalizar o movimento indígena [...] em um ato de perseguição política e racista", sinalou a APIB nun comunicado. Ademais, criticou que sexa precisamente a Funai, "o órgão cuja missão institucional é proteger e promover os direitos dos povos do Brasil", quen faga a denuncia. Fundada en 1967, o papel da Funai é coordinar e aplicar as políticas do Goberno brasileiro para protexer a poboación indíxena, especialmente a illada ou recentemente contactada. Porén, coa chegada de Bolsonaro ao Palácio do Planalto, esta función foi limitada. O presidente brasileiro sostén que os pobos orixinarios posúen demasiadas reservas e terras protexidas, e avoga por facer un uso económico delas para a actividade agrícola extensiva, a xeración e transmisión de enerxía e a exploración de petróleo, gas e outras actividades. Á fronte da Funai, Bolsonaro colocou a Marcelo Xavier, delegado da Policia Federal. Produtos de limpeza As imputacións a Narayamoga por parte da Funai son moi similares ás presentadas contra Guajajara. Nomeadamente, acúsano de divulgar datos "inverídicos" durante a campaña Povos da floresta contra Covid-19 de recadación de fondos para a compra de cestas básicas con produtos de limpeza. A Funai, segundo o comunicado da Polícia Federal de Rondônia recollido pola Folha (independente) acúsao de "levar a população a crer que os citados indígenas estão desassistidos e sem condições mínimas de subsistência frente à pandemia". Narayamoga presentouse voluntariamente na segunda feira ante a Policía Federal para coñecer a petición de investigación. "Se a Funai fez isso, para mim, é um desastre, é um desrespeito [...] O Governo precisa respeitar nós, povos indígenas", afirmou o líder dos Paiter Suruí, un pobo contactado en 1969, que viu desde entón a súa poboación reducida polo roubo de madeira, a caza ilegal e os surtos de diferentes doenzas. En xaneiro pasado, Almir Narayamoga Suruí presentou canda ao cacique kayapó Raoni unha denuncia no Tribunal Penal Internacional (TPI) contra o presidente Jair Bolsonaro por delitos de lesa humanidade. Entre estes, persecución de indíxenas, asasinatos, traslados forzosos e destrución da Amazonía. |
NOS_26889 | Son xa 8 os membros de xuntas directivos que demiten. A crise pola destitución do ex-deputado e candidato no 20D Antonio Rodríguez esténdese. | O que comezou coa expresión pública do seu malestar por Antonio Rodríguez, candidato de Ciudadanos no 20-D, polo seu relevo de cara ao 26X abrolla agora como unha crise en toda regra. Son xa oito os membros das xuntas directivas de Ames e da Coruña que presentaron a súa baixa como coordinadores. Seguirán no partido, din, para defender os seus principios. A través dun comunicado xustifican a súa dimisión despois de que a executiva insistira en cambiar o candidato da provincia da Coruña, Antonio Rodríguez, para as próximas eleccións xerais. Insisten en que este cambio vai contra os principios do partido, e contra o resultado das primarias e afirman que haberá máis dimisións e tamén baixas entre a militancia. Rodríguez, pola súa parte, non descarta deixar de ser militante de Ciudadanos. Mesmoe staría, segundo lle recoñece a La Voz de Galicia, meditando demandar Ciudadanos por considerar que atentaron contra o seu honor. |
NOS_53340 | Recolle un catálogo de dereitos para vítimas de delitos criminais, entre eles de xénero, que poden ser invocados durante o proceso xudicial e perante calquer axente. | A lexislación española vén de transpor a Directiva 2012/29/UE através da Lei 4/2015 do 27 de abril, mais que non entrou en vigor até o mes de outubro. A incorporación desta norma ao ordenamento xurídico español supón o recoñecemento e ampliación dos dereitos das mulleres en situación de violencia machista e a posibilidade de que estes sexan invocados perante calquera dos axentes que interveñen durante o proceso xudicial. O obxectivo da directiva comunitaria é paliar a re-vitimización que teñen denunciado as mulleres en situación de violencia machista após acudir aos tribunais. Unha realidade que Sermos Galiza ten abordado no semanario en papel e tamén no diario dixital en anteriores ocasións. "Non se está facendo valer o carácter integral da actual normativa legal" pois "a muller que decide saír da situación de violencia séntese pouco amparada polo sistema" véndose "inmersa nunha peregrinación por diferentes instancias públicas nas que debe repetir e revivir a súa situación", explicaban desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza (COPG) na altura. Ao mesmo tempo desde as asociacións e colectivos que apoian as mulleres en situación de violencia machista advertían da "descoordenación" e "burocratización" dos procedementos. "Solicitan unha cita cun traballador social sobrecargado e tardan meses en dárllela. Cando a conseguen pídenlles moita documentación, desde acreditar unha situación económica insuficiente até a súa realidade familiar", explicaba Marta Rodríguez Engroba desde Sí hai saída. A directiva recoñece a falta de formación dos operadores xudiciais e as limitacións da denuncia como chave para activar a intervención Neste senso a directiva abrangue esta cuestión desde dúas perspectivas. Dunha banda, através de reflexións xerais nas que se salienta o efecto negativo de que as actuacións administrativas se activen contando como chave a denuncia pois moitas mulleres non o fan por múltiples e diversas razóns que foron recollidas na Macroenquisa sobre violencia de xénero publicada polo Ministerio espñol de Sanidade. Neste senso, o BNG vén reclamando a modificación lexislativa para a incorporación do Estatuto de Vítima de Feminicidio que, entre outras cuestións posibilitaría a intervención mesmo sen existir denuncia xudicial. Aliás, nas súas consideracións previas a directiva critica a falta de formación das persoas que operan xuridicamente (funcionariado, xudicatura, fiscalía, avogacía, procuraduría...). Nunha reportaxe publicada recentemente en Sermos Galiza o integrante do SUP e especialista en violencia machista, Alejandro Gómez, denunciaba o feito de que @s axentes especializad@s nesta materia e pertencentes á policía española contan cunha formación de "cinco mañás en Madrid", unicamente. A norma, que entrou en vigor no Estado español en outubro, desprega unha serie de dereitos que poderán ser invocados ao longo do proceso xudicial Catálogo de dereitos Doutra banda, a norma desprega un catálogo de dereitos específicos entre os que se atopa o dereito á información ao longo de todo o proceso tanto das posibilidades xudiciais que se abren como das axudas coas que conta durante o mesmo. Así mesmo, recoñécese o dereito da muller á súa vida e o deber das autoridades de a protexer a ela e á súa familia e poderá invocar o dereito a ser tratada por profesionais con formación específica que evite unha vitimización secundaria. Dereito a prestar declaración coa maior celeridade e o menor número de veces posíbel, a avaliación individualizada do seu risco e o conseguinte deseño personalizado dos plans de protección. Asemade, recoñécese o dereito a protección durante o proceso xudicial evitando o contacto, mesmo visual, co seu agresor, entre outras cuestións. |
NOS_33122 | Segundo os últimos datos do INE, na Galiza houbo en novembro de 2021 perto de 470.000 pernoctacións. | O Instituto Nacional de Estatística (INE) actualizou na mañá desta segunda feira a súa enquisa de ocupación en aloxamentos turísticos cos datos provisionais de novembro de 2021. Segundo este indicador, na Galiza houbo no penúltimo mes do pasado ano 468.232 pernoctacións, das cales a meirande parte, 433.814, foron en estabelecementos hoteleiros; 2.726, en cámpings; 17.730, en apartamentos turísticos, e 13.962, en aloxamentos de turismo rural. Esta cifra supón unha repunta de 293% en comparanza con novembro de 2020, malia que continúa por baixo dos niveles prepandémicos: son 88% menos que no mesmo período de 2019. Con todo, as pernoctacións do pasado novembro son inferiores ás de 2019, 2018 e 2017, mais superiores ao resto da serie histórica. Facendo a comparativa intermensual, no período estudado reducíronse en 56% as pernoctacións turísticas no país, xa que en outubro de 2021 superaran as 831.000. No conxunto do Estado, as pernoctacións, perto de 19 millóns, minguan 78% en comparanza con 2019. Por outra parte, no que atinxe ás persoas viaxeiras, o pasado novembro foron 230.586 na Galiza, fronte ás 53.263 do ano en que irrumpiu a pandemia e as 241.546 de 2019. |
NOS_30839 | Os novos contaxios experimentan unha estabilización ao descender lixeiramente. | Os pacientes de Covid-19 ingresados na Galiza volven crecer até os 689 hospitalizados, que son 20 máis con respecto a hai 24 horas. Mentres tanto, os casos activos ascenden a 15.599 despois dunha xornada na que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) detectou 1.632 positivos nun día. Segundo os datos actualizados este sábado pola Consellería de Sanidade, con rexistros até as 18,00 horas da sexta feira, as plantas dos hospitais acumulan 667 ingresados con coronavirus, que son 24 máis que un día atrás, aínda que as unidades de coidados intensivos teñen 22, catro menos. Por áreas sanitarias, non todas replican este ascenso dos ingresados. De feito, a área de Ferrol conta con 46 hospitalizados (oito menos que hai un día), dos que só un está na UCI (-1). Do mesmo xeito, baixan lixeiramente na Coruña a 169 (-1), dos que sete están críticos (-2); e en Santiago-Barbanza a 103 (-1), catro deles (-1) en coidados intensivos. No lado oposto, a área de Vigo soben até os 103 hospitalizados (+9), aínda que baixan a dous os críticos (-1); a de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras ascende a 99 (+10), aínda que descenden a tres os que están na UCI (-1); e en Lugo-A Mariña-Monforte aumentan a 90 (+10), dos que tres están en coidados intensivos (+1). Casos activos en ascenso Por quinta xornada consecutiva os casos activos ascenden e sitúanse no conxunto de Galicia en 15.599, que supoñen 617 máis que a xornada anterior ao haber máis contaxios (1.632) que altas (1.009), ao que se suman cinco falecementos. Os contaxios estabilízanse Pola súa banda, os novos contaxios de covid-19 experimentan unha estabilización ao descender lixeiramente até os 1.632 detectados polo Sergas nun día, que son nove menos que os 1.641 notificados o venres. |
NOS_10942 | As funcións serán do 9 ao 21 do mes de agosto | Como practicamente todo nesta "nova normalidade" que nos tocou vivir, será moi diferente ás anteriores, pero a Mostra de Teatro Galego de Cariño, a decana na Galiza, non quere que isto sexa unha escusa para non desenvolver a que será a súa XLII edición. Adaptándose ás circunstancias sanitarias actuais a través dun protocolo de hixiene e prevención ante a Covid-19, a Mostra de Teatro Galego de Cariño terá lugar entre o 9 e o 21 de agosto, co obxectivo de congregar nesta localidade da comarca de Ferrolterra "as mellores compañías teatrais de público infantil e adulto" en diferentes espazos do municipio: o auditorio, a Praza do Campín, o local social da Casa do Concello e, de modo itinerante, por distintas prazas e rúas. Durante a presentación do certame, que tivo lugar durante a xornada de onte, o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, explicou que "o Concello fixo un traballo intenso para que esta edición da Mostra, que vén marcada totalmente polo coronavirus, puidese celebrarse e non perdésemos esa regularidade dunha das citas culturais máis importantes do verán". Pola súa banda, o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, referendou a cobertura do ente a este tipo de eventos "que hai que apoiar, porque representan o que defendemos: que a cultura non só se ten que celebrar nas grandes cidades, se non que debe expandirse por toda a sociedade", e valorou moi positivamente "que concellos como Cariño leven a cabo mostras de teatro como esta". Oferta para todos os gustos (e petos) O teatro na rúa, na Praza do Campín, seguirá sendo gratuíto, como é habitual, pero desenvolverase nun recinto fechado ao aire libre para o que se necesitará reservar entrada para acceder na web www.reservas.gal. No que respecta ás obras que se representarán no auditorio, o prezo será de un euro para o teatro infantil e de cinco para o adulto. Ademais, cabe a posibilidade de adquirir un bono para todas as funcións. Entre os espectáculos programados destacan Aguillóns de Ortegal, unha creación específica da compañía Barafunda para a Mostra de Teatro de Cariño que, ademais, será a obra inaugural; ou Electra, da portuguesa Companhia do Chapitô. |
NOS_52991 | Na comemoração dos vinte anos, o Presidente da Assembleia da República portuguesa defende que a CPLP deve projetar-se como uma comunidade de cooperação, de comércio, de desenvolvimento económico e de segurança | A Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) celebra os vinte anos de existência. Os actos oficiais, iniciados já em Julho, continuaram nesta quarta-feira em Lisboa com a realização de um seminário comemorativo, presidido por Eduardo Ferro Rodrigues, na Sala do Senado, que debateu, num conjunto de painéis temáticos, o futuro institucional da Comunidade, a promoção da língua e da cultura, e a dimensão da diplomacia económica. Eduardo Ferro Rodrigues defendeu que a Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) "do futuro" deve honrar a "memória e a visão" da sua fundação, há 20 anos, enquanto aprofunda a cooperação, o comércio e a segurança. Povos que partilham língua A ideia de uma comunidade de países e povos que partilham a língua portuguesa, depois de vários passos que foram sendo dados na sua prossecução, foi concretizada a 17 de julho de 1996, em Lisboa, com a realização da cimeira de Chefes de Estado e de Governo que marcou a criação da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP). Reunindo originalmente Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Moçambique, Portugal e São Tomé e Príncipe, a Comunidade foi alargada em maio de 2002, quando Timor-Leste se tornou o oitavo país membro, e em 2014, com o processo de adesão da Guiné Equatorial. "Saibamos honrar a memória e a visão dos fundadores através da construção dessa CPLP do futuro" "Saúdo a visão da geração de estadistas que há 20 anos souberam ultrapassar bloqueios anacrónicos e assim fundar a CPLP, uma nova comunidade no concerto das nações, que tem por base uma história e uma língua comum, uma profunda ligação entre povos e culturas, mas que se projeta cada vez mais como uma comunidade de cooperação, de comércio, de desenvolvimento económico e de segurança", disse Ferro Rodrigues. Sarar as feridas do colonialismo Ferro Rodrigues sustentou que a "condição europeia" de Portugal "não é incompatível" com as vocações atlântica e universal, da mesma forma que "a independência dos povos de língua portuguesa também não implica uma política de costas voltadas em relação a Portugal". "Saramos, sarámos e continuamos a sarar as feridas do colonialismo", declarou. "Em nome dos laços históricos e culturais que unem os povos de língua portuguesa, em nome interesses estratégicos comuns, Portugal reforça-se na Europa graças à sua vocação atlântica e universalista, e também no mundo, e os restantes países de língua portuguesa reforçam-se na relação com a Europa e com um Portugal democrático e europeu", acrescentou Ferro Rodrigues. |
PRAZA_11222 | A Coruña destinou 114 euros por habitante a actuacións de protección e promoción social, fronte aos 109,8 de Lugo. Ourense (94,3), Ferrol (93,6) e Compostela (86,5) aparecen en seguinte lugar, nunha listaxe que pechan Vigo e Pontevedra. | "Cre que a principal prioridade no seu concello debe ser a mellora da calidade de vida e a dignidade das persoas". Na campaña electoral das eleccións municipais do ano 2015 a Rede Galega de Loita contra a Pobreza (EAPN-Galicia) lanzou esta pregunta ás distintas candidaturas, acompañando a campaña Concellos ao servizo das persoas, que buscaba "compromisos concretos", como reducir un 25% as persoas que se atopan en pobreza ou exclusión (cumprindo así o establecido na Estratexia Europa 2020) ou aumentar o gasto social a 160 euros por habitante e ano no ano 2019.A Coruña (114 euros por habitante e ano) e Lugo (109,8) foron as localidades con orzamentos máis "sociais" no ano 2018, seguidas de Ourense, Ferrol e CompostelaRematado aquel mandato municipal pódese facer balance dalgún destes indicadores, a partir das estatísticas oficiais. As cifras de pobreza melloraron lixeiramente nos últimos anos, pero esta situación segue afectando a unha de cada cinco persoas en Galicia e as entidades sociais alertan de que a maior parte dos grupos sociais (os chamados "perdedores da crise") aínda non recuperaron as condicións de vida que tiñan no ano 2008.. No seu último informe Cáritas alertaba de que unha porcentaxe moi importante da poboación corría o risco de caer na pobreza se se producía unha nova crise económica.Pola súa banda, o esforzo orzamentario realizado polos concellos está aínda lonxe daquel obxectivo fixado por EAPN-Galicia, pero si é certo que algunhas das cidades galegas melloraron os seus indicadores. Pola contra, outras aparecen con cifras moi inferiores e contías moi reducidas dedicadas a actuacións de protección e promoción social.No 2015 EAPN-Galicia esixiu "compromisos concretos" aos concellos na loita contra a pobreza e no aumento do gasto socialNa gráfica pode observarse como A Coruña (114 euros por habitante e ano) e Lugo (109,8) foron as localidades con orzamentos máis "sociais" no ano 2018, seguidas de Ourense (94,3), Ferrol (93,6) e Compostela (86,5). No outro extremo aparecen Vigo (67,7 euros por habitante) e Pontevedra (59,9), as cidades galegas con menor gasto social.A evolución do gasto social nas cidades galegas foi diferente nos últimos tres anos, aínda que en xeral houbo un aumento dende o 2016, momento no que as contías descenderon de forma xeneralizada, motivado en boa medida polas restricións orzamentarias impostas polo Goberno central. A Coruña rexistrou un ascenso constante dende entón, pasando de 96,4 euros no 2016 aos 114 do 2018. Lugo, pola contra, caeu de forma continuada ata 2017, para aumentar no último ano, recuperando o nivel de 2016. O mesmo sucedeu con Ferrol, mentres que Compostela amosa ascensos nos anos 2017 e 2018. Ourense foi a única na que a cifra descendeu no último ano. Mentres, Vigo e Pontevedra tiveron crecementos continuados pero cativos, partindo ademais dende niveis moi baixos, situados case no 50% das cifras da Coruña e Lugo.Lugo é a cidade que presenta unha porcentaxe maior de gasto social, por riba do 16%Os datos achegados polo Ministerio de Facenda ofrecen tamén información sobre a proporción que representa en cada orzamento as actuacións de protección e promoción social realizadas por cada concello. Neste caso é Lugo a cidade que presenta unha porcentaxe maior de gasto social, por riba do 16%. En segundo lugar aparecen Ourense (12,31%), por diante de A Coruña (11,31%), Ferrol (11,07%) e Compostela (8,16%). De novo, Vigo (7,51%) e Pontevedra (6,88%) son as cidades galegas cunha menor proporción de gasto social.Pola contra, son precisamente as dúas cidades pontevedresas as que contan nos seus orzamentos cunha maior porcentaxe de gastos de capital, ou investimentos. En Vigo isto representa máis do 21% dos seus fondos, e en Pontevedra a porcentaxe chega ao 18,2%. Cómpre sinalar que neste caso a importante débeda que dende hai anos arrastraban A Coruña, Compostela e Ferrol, reducida de forma importante no último mandato, dificultaba que puidesen realizar máis investimentos. |
NOS_48977 | A gran casa da cultura galega abriulles as portas a un novo tipo de persoa, de público, de consumidor@ cultural. O Culturgal, no seu segundo día deste ano, encheuse de visitantes que, entre os setenta postos da feira, coñeceron de primeira man as últimas novidades da industria cultural. | A gran casa da cultura galega abriulles as portas a un novo tipo de persoa, de público, de consumidor@ cultural. O Culturgal, no seu segundo día deste ano, encheuse de visitantes que, entre os setenta postos da feira, coñeceron de primeira man as últimas novidades da industria cultural. Igual que todos os anos, mais cunha diferenza. @s visitantes, @s de sempre e os novos, non o sabían, mais todas as persoas formaban parte dese concepto novo, desa realidade remudada, dese tipo de ser que levan no sangue aínda que até agora non lle sabían o nome. Todas elas "son seres libris", un tipo de persoa, de persoa, de muller e de home, que cumpre todas as súas necesidades físicas e espirituais. Respiran, aliméntanse, quérense, dormen, soñan, comparten, viven e len. Esa é a mensaxe que transmite o anuncio que a Asociación Galega de Editores (AGE) presentou para a campaña de nadal. "Eu tamén son ser libris", rezan as chapas e os cartaces promocionais. Eu tamén son, ao fin e ao cabo, un ser libis e libre. "Defendemos a biodiversidade de lectura e de soportes, a biodiversidade xeracional. Iso defende o sector", explicou Manuel Bragado ao comezo á hora de falar deste anuncio de conciencias que ideou a produtora Illa Bufarda, conformada polas creadoras Adriana Pérez e Sabela Iglesias. "Defendemos a biodiversidade de lectura e de soportes, a biodiversidade xeracional. Iso defende o sector", explicou Manuel Bragado Biodiversidade. Ese o termo que podería definir perfectamente o sentir deste Culturgal de urxencia, de situación de emerxencia, en plena economía de guerra. A biodiversidade respirouse antes, e mesmo despois, de que as autoridades, conselleir@s e alcaldes, inaugurasen onte a gran Feira das Industrias Culturais. Unhas industrias, que en plena crise de asfixia, non quixeron defraudar en Pontevedra neste Culturgal que, como é costume, resulta imposíbel de resumir nun feixe de liñas concatenadas. A biodiversidade é tan etérea como ampla, demasiada complexa para calquera crónica. Cantos da Maré e Os da Ría Tras unha sexta feira de toma de contacto, dun primeiro día de entrada en calor, o Culturgal reborda de multitudes, de seres libris cheos de necesidades, na súa segunda xornada. Neste sábado de día grande arrancou a media mañá cun dobre son, con dous estilos musicais ben diferentes. En primeiro termo, a cantante Uxía foi a encargada de anunciar a décima edición do Cantos na maré, que o próximo 12 de xaneiro encherá o Pazo da Cultura do sentir da lusofonía. "Unha gran celebración musical e unha festa da irmandade", admitiu Uxía, quen volverá ser a responsábel artística deste concerto. A música poñerana catro voces diferentes, procedentes de diversos puntos da xeografía lusófona, moi afastadas entre elas na distancia física, mais tan próximas no espiritual que se senten irmás. Desde Portugal chegará Rui Veloso, o auténtico "pai do rock portugués" en palabras de Uxía. Doutra banda, de Mozambique virá Cheny Wa Gune, "mago da fusión dos ritmos tradicionais coa música moderna". O brasileiro Chico César volverá a Cantos na Maré dez anos despois de ser o seu primeiro director musical e recoñecido xa como unha das voces máis enérxicas a nivel internacional. Por último e desde Galicia, Sés será a encargada de poñer a nota máis próxima neste concerto. "Unha das novas promesas musicais de Galicia", destacou Uxía, quen lle pediu ao público que adquise canto antes as entradas, ao ser habitual que se esgoten rapidamente. A presenza do público, máis alá da asistencia pasiva, tamén require nalgúns puntos dunha implicación máis activa. O público tamén pode tomar a palabra, tanto escrita como falada E á mesma hora que Uxía presentaba os Cantos na Maré, o grupo rei da "música livián" galega e en galeigueiro, Os da Ría, presentou o seu Disco Díscolo, unha recompilación dos seus mellores temas e con auténticos "himnos de ouro" desta banda trangalleira. Himnos regados con viño Senlleiro, unha edición especial de caldos elaborada pola Adega María do Pilar para acompañar un álbum de humor e música con grandes temas dedicados a Fernando Ónega, Alberte Núñez Feixóo, Manuel María ou Álvarez Blázquez. Deste xeito, a música continuou na xornada grande do Culturgal. Se a sexta os concertos recaeran en lugares como a Sala Kharma, onde actuou a Banda Fura Fura, creada en homenaxe ao Zeca Afonso, ou o Café Moderno, onde aCadaCanto ofreceu un gran recital; nesta segunda xornada a música instalouse no Patio. Por alí pasaron e seguen a pasar no día de hoxe artistas como Silvia Penide, Xoan Curiel, quen presentou o seu disco Magnético Zen, Emilio Rúa ou a propia Uxía, quen presentou o seu disco Andando a Terra, un álbum no que a cantante, na compaña de Sergio Tannus, musica poemas de Manuel María. Operación E e Luís Tosar Un dos protagonistas da xornada por partida dobre foi o actor Luís Tosar, quen pola mañá participou nunha breve conferencia de prensa para presentar a súa película Operación E, dirixida por Miguel Curtois. Tosar, acompañado dos produtores Juan Pablo Tamayo e Farruco Castromán, definiu a película como unha sorte "de peripecia rocambolesca", cuxa trama reflicte a situación de Colombia e a loita das Farc. Ademais, Tosar, acompañado por Castromán, participaron este sábado nas conversas do Salón, onde Xosé Manuel Pereiro os entrevistou, como tamén a Manuel Lourenzo ou Xesús Constenla. Por este mesmo espazo, xa pasaron onte Ignacio Escolar, Rexina Vega e Xosé Monteagudo e no último día do Culturgal, os seus protagonistas serán Agustín Fernández Paz, Xavier Alcalá, Teresa Moure ou María Reimóndez. A literatura, polo tanto e como é habitual, tamén ten o seu espazo na Culturgal e varios foron @s autor@s que falaron das súas últimas obras en presentacións máis tradicionais. Así pasaron polo Salón os gañadores do Premio Xerais, Manuel e María Lorenzo, por Tonas de Laranxa; Pedro Feijóo, quen falou de Os fillos do mar, ou Ramón Caride, quen analizou o seu Sarou/louzós. Ademais, a editorial Galaxia presentou xa a sexta o seu proxecto Galaxia Tales e Galaxia Comics, dúas iniciativas anovadoras na edición dixital. O Proxecto Cárcere e a participación do público Polo Culturgal tamén están a pasar diversas iniciativas culturais e cívicas, como é o caso do Proxecto Cárcere, que se deu a coñecer no Garaxe do Culturgal, presentado pola xornalista Belén Regueira. O Proxecto Cárcere, que naceu na Coruña hai xa dous anos, trata de rehabilitar e tomar para a cidadanía o antigo cárcere da Coruña, espazo con forte carga de memoria histórica aos pés da Torre de Hércules. Os promotores explicaron que non é simplemente unha plataforma para recuperar ese espazo, senón que o realmente importante, alén dos proxectos, é a forma de levalos a cabo. De forma aberta, plural e independente. A presenza do público, máis alá da asistencia pasiva, tamén require nalgúns puntos dunha implicación máis activa. O público tamén pode tomar a palabra, tanto escrita como falada. Deste xeito, na Narración do Culturgal os participantes poden escribir un conto colectivo e artellar unha historia conxunta. Doutra banda, no Stand do Público, os participantes toman a palabra diante da cámara para falar da súa experiencia co Culturgal, mais tamén as súas vivencias como consumidor@s activ@s da cultura do país. "Cos participantes que estamos a falar, un pódese decatar de que hai un desfase entre a idea da cultura galega que teñen, que hai de forma xeral, e o acto cultural final, o verdadeiro, o de consumo", analiza María Yáñez, quen se encarga de gravar as conversas do Stand do público e de lanzarlles as preguntas aos participantes. "Algúns comentan os gastos que realizan ao ano en cultura do país, e as cifras oscilan entre os que din 150 euros e os que admiten 400", explica Yáñez, quen tamén recoñece que nun primeiro momento graváronse conversas deste tipo nas rúas de Pontevedra. "Esas gravacións resultaron un bater coa realidade. Moitos dos que entrevistamos nas rúas de Pontevedra descoñecían que existía o Culturgal, non sabían o que era iso, nin tiñan moita idea ao respecto das industrias culturais", admite Yáñez. Quizais, máis aló dos muros do Culturgal, queda moito ser libris por descubrir. |
PRAZA_6802 | Non hai revolución, sen comezar pola vida cotiá. Iso di Textículos dramáticos e posdramáticos (Laiovento), o novo libro de Afonso Becerra | O íntimo é político. Non hai revolución, nin loita de clases, sen comezar pola vida cotiá. Iso di Textículos dramáticos e posdramáticos (Laiovento), o novo libro do dramaturgo, profesor e director de escena Afonso Becerra. Un monllo de pezas breves que dá continuidade á súa anterior obra, Dramatículas. Unha proposta feminista, galeguista, contraria ao heterosexismo. Falamos co seu autor. "A min máncame ter que empregar o íntimo como contestación social", dise nun dos textos. E ten bastante que ver co sentido de todo o libro… Non é que o libro sexa só iso, pero detrás del si hai esa intención xeral. Ten que ver con que as verdadeiras revolucións teñen que ver coa xente de a pé, coas revolucións micropolíticas que poden acabar salpicando o social. Este é un libro sobre o común. E cando pos o foco sobre o común pode transformarse, mostrarse como algo extraordinario. Nun encontro que pode ser casual atopas elementos fundamentais na relación entre as persoas, que é o que ao final é política: a maneira en que nos relacionamos con nós mesmos e respecto dos demais. "Este é un libro sobre o común. E cando pos o foco sobre o común pode transformarse, mostrarse como algo extraordinario" Dis no limiar que os "textículos" son órganos exentos de testosterona. Nun libro no que a maioría das personaxes non teñen xénero asignado. É un libro contra o heterosexismo, o machismo e tamén o españolismo. 'Fashion victim' e 'Womanizer', que é o título dunha canción de Britney Spears, son títulos representativos do que é o capitalismo. 'Womanizer' está baseado no que vexo en Vigo cando quedo coa miña amiga María Xosé Queizán para tomar algo: mozas con minisaia, con tacóns e con escote pasando frío en decembro, sentadas na rúa. Di María Xosé que, pobriñas, que parvas son que teñen que pasar frío para sentirse guapas e eu creo que ten razón. En 'La vie en rose' hai dúas mulleres lesbianas, suponse que emancipadas, aínda que a unha vaille ben que parezan amigas e a outra di que lle amola ter que usar a súa intimidade como maneira de contestación social, porque están fóra da norma heterosexista. 'Fashion victim' fala, como 'Womanizer', de que hoxe para ser moderno, ou cosmopaleto, segundo se vexa, tes que facer bookcrossing, ou ter un Galicia Escena Pro, ou "showcases", que parece que non temos palabras nosas para chamarlle ás cousas. Todos os títulos en inglés ou en francés teñen ese ton irónico. "Hai xente que está nunha compañía de teatro, que traballa en galego pero ao baixar do palco fala castelán. É esa cousa de Dr Jekyll e Mr Hyde que temos aquí, que é moi rara. Eu vexo unha sociedade como un pouco psicótica, con moita pose" Defínelo, de feito, como un libro feminista e galeguista. Que queres subliñar a respecto do tema do galego? Pois tamén é algo que vexo. Hai xente que está nunha compañía de teatro, que traballa en galego pero ao baixar do palco fala castelán. É esa cousa de Dr Jekyll e Mr Hyde que temos aquí, que é moi rara. Vivín 10 anos en Cataluña e alí non era así. Eu vexo unha sociedade como un pouco psicótica, con moita pose. O libro vai sobre como o íntimo é político e este é un dos exemplos. Este verán Teresa Moure escribiu no seu facebook que quen fale de revolución e de loita de clases sen se referir á vida cotiá, sen entender o que o amor ten de subversivo, ten un cadáver na boca. E eu estou de acordo. O meu libro son situacións, a maioría delas, que parten de cuestións moi comúns e moi íntimas. Son textos pegados á relación entre as persoas. Non o distanciamento de Brecht, senón máis ben Ibsen. O individual é político. Iso está en 'La vie en rose', da mesma maneira que está presente no libro a homosexualidade. Porque teño vontade de que a homosexualidade estea representada na dramaturxia galega. O modelo heterosexista domina tamén os palcos do teatro galego. Hai poucas excepcións, como 'Neuras' de María Xosé Queizán. "Eu escribo para a realidade na que vivo. E o queer en Galicia non o vexo moito na rúa. Na rúa, ou na Escola, eu vexo machismo e heterosexismo" O libro reivindica o feminismo, o LGBT e o queer, que non sempre casan ben entre si. En 'La vie en rose' fálase do queer, de estar alén das etiquetas de xénero. Eu teño amigos en Barcelona que si teñen unha vida que segue a filosofía queer, que está dentro deses parámetros. É xente á que quero e que respecto e, si, é un universo fascinante, que vai máis alá dos binomios de home/muller; hetero/homo… Pero eu escribo para a realidade na que vivo. E o queer en Galicia non o vexo moito na rúa. Na rúa, ou na Escola, eu vexo machismo e heterosexismo. No ximnasio, por exemplo, vexo homes exhibindo a súa virilidade. Ás mulleres xa vos educan, por exemplo, para que vos gusten os tacóns. E, claro, eu pregúntome ata que punto estamos presos de todo iso. Todo iso está presente no cotián, é conflito. E para iso nace o teatro, para resolver conflitos. Con iso ten relación o tema de que non lles pos nomes ás persoas que falan nos textos. Son A, B, 1, 2… Iso é unha maneira de renunciar ás identidades e deixar o impulso á acción. E é así na maioría dos textos do libro, agás 'Womanizer' ou '9999', que son textos realistas. Tamén en 'Oxitocina', que tenta darlle a volta ao mito de Pigmalión, que é o de 'Pretty woman'. Porque repítense os mesmos mitos. Poden ser dous homes ou dúas mulleres, que iso non garante que sexa unha parella igualitaria. "Son textos que bucan ser lidos, estar na mente do lector, pero o que máis desexan é subir a un escenario de teatro" Este libro é como unha segunda parte de Dramatículas (Laiovento, 2010). Con el reivindicas que brevidade da letra, do texto, non é a brevidade teatral, porque a brevidade pode medrar en múltiples accións escénicas. Por que? Xa desde o título, Textículos dramáticos e posdramáticos, se fai referencia ao que é. O texto non é o centralizador da acción escénica, non centraliza o sentido do espectáculo. Son textos que bucan ser lidos, estar na mente do lector, pero o que máis desexan é subir a un escenario de teatro. Nas pezas de teatro posdramático, que son 'Oxitocina', 'Teoría e práctica da discreción', 'É un dicir', 'Ti e un té', o texto non centraliza o sentido, senón que é un material máis a integrarse na coreografía, a iluminación, a música, os obxectos… 'Oxitocina', por exemplo, imaxínoa como unha peza de danza, co texto por exemplo proxectado ou dito cunha voz en off. Neste tipo de textos a lóxica que funciona é máis asociativa que causal. E isto é outra cousa que na dramaturxia galega boto en falta. Eu fíxeno en 'Crioxénese', que é un texto que pasou desapercibido. Se te fixas, o teatro posdramático está marxinado nas programacións. O que se programa son pezas con historia e personaxes. Hai programadores que pensan que o espectador galego é parvo, que non vai entender unha peza posdramática. E iso non ten sentido. O teatro ten que vibrarte. Para contar historias é mellor o cine ou a novela. O teatro é empatía, comunicación enerxética, como dicía Artaud. De teatro posdramático falo tamén no último dos textos, 'É un dicir', que é teatro da teoría, como xa o era o último de 'Dramatículas'. É un xeito de teatralizar a teoría. "Este é un libro contra os encasillamentos: dos homes, das mulleres, das parellas… E na nosa sociedade hai palabras tabú" En 'É un dicir', alguén di xogar coa nación para erguer suspicacias. Por que? Este é un libro contra os encasillamentos: dos homes, das mulleres, das parellas… E na nosa sociedade hai palabras tabú. Escribo en facebook a palabra nación e hai alguén que me escribe nazionalista, como se fose nazi. Hai conceptos cos que hai problemas se os soltas en determinados ámbitos. Nación, galeguismo… Nunha suposta democracia, a liberdade para dicir certas cousas é relativa. Por exemplo, eu non entendo que se poida levar anos sendo profesor en Galicia e non aprender galego. Para min é unha cuestión básica de integración cultural. Pois con iso tamén teño que ter coidado se o digo. E iso pasa porque non temos un Estado. Se o galego fose a lingua dun Estado sería máis respectado. E o teatro está para entreter e para facernos máis humanos, para enfrontarnos cos conflitos. Ademais, os "textículos" son pezas breves. Ves no microteatro galego propostas máis innovadoras e arriscadas? Pois a verdade é que non. Hai dramaturxias breves que son auténticas alfaias, como as de Beckett por exemplo. Son unha auténtica delicia que desafía as túas concepcións teatrais. E iso é outra cousa que reivindico para o noso teatro. "Aos políticos non lles interesa o teatro porque normalmente é contestatario, analiza o que pasa, é un acto asambleario, público" Hai moitos anos que se fala do mal que está o teatro e agora é aínda peor. Cal é o problema de fondo das políticas teatrais? Pois que o teatro non é unha industria, non pode ser economicamente rendible. É arte e servizo público e non industria. Non é un produto de consumo. Mais o problema é, no fondo, político. Os políticos son os representantes do pobo. O pobo non pide teatro e vota os políticos que temos, -con todos os matices que poidan mencionarse-. Aos políticos non lles interesa o teatro porque normalmente é contestatario, analiza o que pasa, é un acto asambleario, público. É o que di Jean Vilar. O teatro é un acto de emancipación das persoas. Como di Vilar, é un servizo público que hai que ofrecer a todo cidadán de modo accesible. Como o teatro non vai ser rendible, está suxeito aos avatares do público. En Estados Unidos non é público, pero hai mecenas. Aquí a época da filantropía pasou e o teatro quedou sen apoios. E isto está cada vez peor porque temos gobernos de dereitas. Os orzamentos de Agadic para o teatro son ridículos. A París e a Panorama si moven masas e teñen uns prezos que non ten ningunha compañía teatral. E o que fan é alimentar que a xente vote o que vota, cunha estética totalmente de dereitas. Sobre iso causaches no seu momento un debate nas redes sociais. Ten o teatro galego, en xeral, unha estética de dereitas, segundo dixeches? Eu vexo moito teatro e moitas veces penso que o que me entra polos ollos reproduce estilos vinculados ao conservadorismo. E non me refiro a manter a tradición, senón a unha estética casposa. Tampouco quero xeralizar, mais se observas como se moven os actores, como se relacionan, que deseño de personaxes se fai, que tipo de historias e temáticas se escollen… ves estéticas de dereitas. Angélica Liddell xa foi estrear a súa última obra a Francia, porque para o que hai en España… Ela é unha persoa que choca, pola súa maneira de estar no mundo. "O bo teatro é un acto de amor e de xenerosidade. Consegue que entendas mesmo ao malo" O amor como feito subversivo nunha auténtica loita de clases. Tamén está iso no libro, como dicías ao principio. Eu teño claro que o bo teatro ou é revolucionario ou non é. Outra cousa é que consiga o que pretende. Pero eu, se vexo un bo espectáculo, non saio igual que entrei. O bo teatro é un acto de amor e de xenerosidade. Consegue que entendas mesmo ao "malo". Que é o que consegue Shakespeare. O teatro é encontro, amor, e iso é un feito revolucionario. Tamén hai bastante sexo no libro. Como en 'Fashion victim', con ese xiro tan irónico. Esa é outra cousa que boto de menos na dramaturxia. O sexo está todo o tempo na sociedade, a todos nos afecta e nos toca. Nas relacións sexuais descubrimos cousas de nós mesmos. Tamén é un modo de explorar o que somos. Un bo encontro amoroso non pode levar guión. Igual que no bo teatro. É como os Hombres Bisagra, a última obra de Matarile. Tes a sensación de que todo se está a facer no instante, diante de ti. Aínda que está ensaiado, claro. É esa sensación que abrolla, que te atrae e seduce. O pracer, o encontro. A transgresión, como en 'Fashion victim'. Contra o decoro burgués. Di Augusto Boal que todo o teatro aristotélico, -o que ten introdución, nó e desenlace-, é moralista e conforme ao decoro burgués. E neste libro hai vontade de chocar con iso. De sedución tamén falas, mais noutro sentido, en '9999'. A sedución que é técnica de marketing. Mentira. Roubo. É a idea de que todo é pose. '9999' está baseado nun caso real, dunha persoa que coñezo que foi estafada polas preferentes. O das participacións preferentes foi un roubo legal que se realizou con total impunidade. Pasolini fala da razón burguesa, que serve para establecer o poder, un poder que á súa vez serve para o lucro. Unha razón que instrumentaliza a intelixencia a favor do lucro. '9999' si é unha peza realista, e aristotélica na súa estrutura. "Nomes como os de Clara Gayo, Vanesa Sotelo, Eva Ferreira, Marta Pérez... , fanme pensar que son as mulleres as que están a facer propostas máis arriscadas no artístico e no temático" Tes dito que son as mulleres, a maioría das veces, as que están a facer as propostas máis arriscadas en dramaturxia. Por que? Eu creo que en Galicia si. Só hai que ver a programación do FITO. A directora, Ánxeles Cuña, é boa programadora. Foi, de feito, a primeira que programou teatro posdramático no Centro Dramático Galego, cando o dirixía. Nomes como os de Clara Gayo, Vanesa Sotelo, Eva Ferreira, Marta Pérez... , fanme pensar que son as mulleres as que están a facer propostas máis arriscadas no artístico e no temático. Creo que, de xeito panorámico, pode afirmarse que é así. María Armesto tamén aposta por aí, como a directora da nova compañía Aporía Teatro, Diana Mera. "Cando dis que algo é teatro posdramático o único que afirmas é que é dramaturxia non fabular, que non ten unha historia, que non somete a acción á representación dunha historia" E o do teatro posdramático non pode acabar sendo tamén unha etiqueta, e mesmo algo de pose? O teatro posdramático é un paradigma moi amplo, que abrangue unha enorme cantidade de formas e de estilos, moi variados e en constante evolución. Non é unha etiqueta pechada. Cando dis que algo é teatro posdramático o único que afirmas é que é dramaturxia non fabular, que non ten unha historia, que non somete a acción á representación dunha historia. Para min é unha etiqueta que funciona ben. E onde estás na foto do libro? Na praia á que vou sempre. Non hai, que eu saiba, outra foto de lapela na nosa literatura co autor completamente nu. É un xogo co título, tamén. Ademais, hai textos que escribín na praia. A idea é romper coa imaxe típica do autor, ben vestido. O típico retrato. Poñer en pelotas o autor dun libro que se chama textículos… |
NOS_30357 | Literatura, música, teatro... todos os sectores están afectados. | O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay e a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) foron as primeiras vítimas dunha vaga de cancelacións de eventos no mundo da cultura galega que deixa o sector practicamente paralizado. Así, a Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG), entidade organizadora dos Premios de Teatro María Casares, aprazou indefinidamente a gala de entrega dos premios, que estaba previsto que se celebrase no Teatro Rosalía o 26 de marzo. O teatro viuse afectado por partida dupla, xa que o I Congreso Internacional de Teatro Galego, que tiña como obxectivo "crear un plan estratéxico e unha lei para o sector que marque a próxima década", e que ía desenvolverse en Compostela entre o 25 e o 28 de marzo, quedou adiado até o 7 de outubro. Un pouco máis ao sur, en Verín, a limitación do aforo dos eventos a porta pechada a un máximo de 50 persoas ditada durante o mediodía de onte polo Goberno galego provocou a cancelación do MUMI, que fora inaugurado tan só unhas horas antes. Sen saír da música, a Orquestra Sinfónica da Galiza anunciou a suspensión de todas as súas actividades desde o día de hoxe até, en principio, o vindeiro 29 de marzo. Na literatura e as letras, pola súa banda, a Real Academia Galega comunicou o peche temporal dos servizos presenciais "en cumprimento das medidas de prevención do contaxio do coronavirus", polo que as súas instalacións na rúa Tabernas da Coruña permanecerán pechadas sine die. Ademais, Galaxia e Xerais, as principais editoras do país, confirman que todas as presentacións de libros previstas quedan canceladas. |
PRAZA_18501 | Á convocatoria de paro da comisión de centro uniuse o sindicato médico o'Mega. Denuncian a escaseza de persoal e medios e os "colapsos" continuos. A Asociación de Pacientes e Usuarios apoia as protestas. | Os médicos e o resto de persoal do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) irán á folga desde este luns 12. O sindicato médico O'Mega convocou para o mesmo día o comezo dun paro que se une ao da comisión de centro e que apoia tamén a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS. Á convocatoria de folga da comisión de centro uniuse o sindicato médico o'Mega Os paros convocados pola comisión de centro levaranse a cabo todas as semanas desde este luns ás 8 horas e até o xoves á mesma hora, unha decisión ratificada tras unha xuntanza do comité de folga coa xerencia do CHUS e unha oferta de incremento do persoal que considera "insuficiente". No caso da convocada para o persoal médico, os tempos son os mesmos: os luns, martes e mércores (incluída a madrugada do xoves) desde esta semana. Os paros levaranse a cabo desde este luns ás 8 horas até o xoves á mesma hora A comisión de centro reclama un acordo para unha dotación orzamentaria que permita aumentar o cadro de persoal até alcanzar o número necesario en todas as categorías, desde médicos a celadores. E insiste na necesidade para dar "unha asistencia necesaria de calidade" que evite os "colapsos" que leva denunciando no servizo de urxencias desde hai tempo. Esixen, ademais, un protocolo que asegure que os doentes que agardan sexan atendidos por un especialista no menor tempo posible. Pacientes a agardar nun corredor do Hospital Clínico de Santiago / Asociación Pacientes CHUS Así, o persoal deuncia que o complexo hospitalario de Santiago está "infradotado" en comparación con instalacións "dun volume equitativo", tanto no que ten que ver con persoal e medios como cos espazos habilitados. Médicos e resto de persoal denuncian a escaseza de persoal e medios e os "colapsos" continuos nas Urxencias No caso das reivindicacións dos médicos, a través do sindicato O'mega, esixen persoal dabono para dar cobertura a toda a demanda, unha zona dedicaca exclusivamente a observación de doentes encamados e outra dedicada aos pacientes con doenzas leves, ademais da priorización das intercosultas que se xeran en urxencias. Ademais, reclaman tamén o cumprimento do requisitos de Inspección de Traballo, que din que "continúan sen aplicarse", e o abono das horas, fóra da xornada asistencial, que os profesionais empregan na súa formación. A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denuncia o "sistemático maltrato asistencial" e a "conduta neglixente e intolerante da xerencia por non admitir a realidade" e "non estar diposta a dotar os medios reclamados". O colectivo insiste en que os medios son "manifestamente insuficientes" e en que segue a ser habitual a falta de camas e a espera de doentes no corredor de acceso. Así, a entidade apoia a folga do persoal e considera que a súa decisión "indica o seu nivel de implicación opoñéndose a que se perpetúe un modelo de asistencia denunciado en repetidas ocasións". Nesta primeira xornada de folga do luns, a comisión de cnetro convocou tamén unha concentración diante das Urxencias do Clíneico ás 12 do mediodía. |
NOS_57275 | O executivo galego levará a proposta para os novos prezos públicos universitarios ao vindeiro Consello Galego de Universidades, que terá lugar o 2 de xullo. | Nunha xuntanza desenvolvida hoxe cos vicerreitores de economía das tres universidades galegas, a Secretaría Xeral de Universidades -inserida na Consellaría de Cultura e Educación, propuxo conxelar o prezo das primeiras matrículas universitarias para o curso 2012-2013, como solicitaban os reitores da UVigo, USC e UdC. Non obstante, a Xunta de Galiza mantería a suba das restantes, de maneira gradual e progresiva os vindeiros tres anos. Ao mesmo tempo, as segundas matrículas e sucesivas, incrementaríanse de acordo co "límite inferior das forquitas estabelecidas no Decreto 14/2012".Non obstante, a Secretaría Xeral propón, o establecemento dunha taxa para o alumnado que se examine das materias a extinguir e que xa non contan co dereito a docencia. A organización estudantil Comités exixiu hoxe a retirada inmediata do Decreto 14/2012 -como xa fixeran na folga estudantil do pasado mes de maio; pois entenden, "fai pagar ao estudantado as consecuencias dunha crise que non provocou" e encamiña o ensino público cara a privatización. Segundo o responsábel nacional dos Comités, Daniel Candal, "as consecuencias sociais dunha suba destas características no prezo das matrículas universitarias, poden ser moi graves". |
NOS_22368 | Tanxugueiras aposta na mestura da música tradicional galega con máis sons dando lugar a creacións que impresionan. A súa estratexia está a introducir ás xeracións máis mozas na cultura galega | Aquelas persoas que teñan querenza pola música tradicional e polo folk de seguro coñecen o grupo Tanxugueiras (Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro). Desde os escenarios e desde internet as rapazas danlle vida aos cantos con sons galegos xogando con fusións sorprendentes. Se ben é certo que algunha cancelación padeceron, hai oportunidades de coñecer a súa aposta profesional en varios foros festeiros. Por exemplo, Sabela Maneiro conta que quixeron facer "algo polo Día da Música". O proxecto acabou "cunha fusión de diferentes estilos para ver como a acollía a xente". E ese público quedou encantado co atrevemento de darlle unha capa de rap ao folk. Con independencia dos corsés nos que as poida colocar a xente, Maneiro di que fan "as cousas segundo nos vai nacendo". A meta é chegar "o más alto que se poida xogando cos estilos e sen etiquetas". Esa mestura, ese risco, esa paixón... Son aplaudidos na Galiza, mais curiosamente "onde máis acollida ten a nosa música é en lugares como Glasgow, Cuba, a India...". Este ano non se pode andar a xirar sen tantas fronteiras. Ademais de velas no país, un novo proxecto vén en camiño. O tema do Día da Música non foi casualidade. "Estamos a dar pildoriñas para probar, estruturando e reformulando todo con diferentes estilos antes de botalo a rodar", adianta sobre o futuro máis próximo. En cinco anos levan xa dous discos, non é mala evolución. O seu "optimismo" musical e vital contáxiase pronto porque "a lectura deste ano é moi positiva". Malia enfrontarse aos efectos da pandemia, reflexiona recoñecendo que aproveitaron para "estudar músicas" e formarse. Entenden que 2020 vai sendo ben aproveitado. O atrevemento é tal porque queren que a súa xeración se vexa reflectida nelas. A pesar de decantarse polos sons tradicionais teñen unha estética que vai cos tempos. "Reflicte como somos, é unha visión dos nosos tempos para chegar a todos os públicos", incide Maneiro. Grazas a iso nos seus espectáculos vense mozos, pais e nais e avós. A estratexia para introducir á rapazada na cultura tradicional galega non pode ser mellor. |
NOS_11196 | Os orzamentos europeos e estatais para políticas activas de emprego redúcense para Galiza nun 57%, entrementres o número de persoas desempregadas supera as 260.000 | Pouco máis de 106 millóns de euros para políticas laborais destinadas a 260.000 desempregad@s. Son 140 millóns de euros menos e 37.000 parad@s máis que hai un ano. A tesoirada en políticas de emprego en Galiza é máis que evidente. Os sindicatos xa denunciaran no verán o que cualificaban como "brutal recorte" dun 57% que se estaba a producir nas políticas activas de emprego na Galiza, e instaban a Xunta a reaccionar e a exixir unha reordenación da repartición do orzamento dos fondos comunitarios e estatais para este eido. Segundo os datos da Conferencia Sectorial, organismo que aproba a distribución de fondos ás comunidades autónomas e en que estas están representadas, a intención do Goberno central era diminuír o 56,92% o orzamento dedicado a estas políticas. Entón acordouse distribuir case 1.320 millóns de euros entre todas as comunidades autónomas (agás Euskadi), dos cales se destinarán 966,5 a formación para o emprego (incluíndo as escolas obradoiro, casas de oficio, talleres de emprego e outros), 323,3 ao emprego e trinta millóns máis para a modernización dos servizos públicos de emprego. No caso da Galiza, haberá algo máis de 106,5 millóns para as políticas activas de emprego, un 57% menos que en 2011. Isto, sen ter en conta as e os 200 orientador@s profesionais e promotor@s de emprego. Consecuencias A redución, no caso de se consolidar, provocará a desaparición de milleiros de empregos de alta cualificación —formadores profesionais, especialistas homologados para impartiren formación certificábel, expert@s, técnic@s, persoal de apoio—, así como a perda de moitos centros de formación, aulas e instalacións homologadas, ademáis da desaparición dos orientador@s e promotor@s de emprego que desenvolven o seu traballo no Servizo Galego de Colocación. |
PRAZA_10675 | Non existiría a trata de persoas con fins de explotación sexual se non existira a prostitución e, a súa vez, esta non existiría se non houbese unha demanda, e non existiría a demanda se vivísemos nunha sociedade igualitaria onde un home nunca podería mercar, nin querería, o uso do corpo dunha muller. | O 30 de xullo conmemoramos un ano máis o Día Internacional Contra a Trata de Persoas, un dos delitos máis aberrantes contra o ser humano, con numerosos propósitos entre os que destacan a explotación sexual como principal fin. No mundo máis de 40 millóns de persoas son vítimas de explotación sexual, das cales o 72% son mulleres e nenas que proceden dos grupos máis vulnerables da sociedade, especialmente mulleres migrantes en situación administrativa irregular. En Galicia, por exemplo, representan o 90% dos casos detectados. Estes datos son só a punta do iceberg, porque aínda que non se dispoñan de datos exactos polo propio entorno de delincuencia organizada no que se desenvolve a prostitución, España aparece como un dos principais destinos de mulleres e nenas vítimas de trata cun moi preocupante incremento de homes prostituídores cada vez máis novos que se sitúan entorno aos 20 anos. A mercantilización de mulleres e nenas supón un lucrativo negocio, que move no mundo ao redor de 18.000 millóns de dólares representando o segundo posto no ranking de rentabilidade, reafirmando así que a desigualdade de xénero é un piar fundamental do sistema capitalista. O proxenetismo constitúe o motor fundamental que fai posible, favorece e estimula a prostitución e o desenrolo da trata de mulleres e nenas, converte a escravitude no recurso que utilizan mafias e proxenetas para abastecer o crecente mercado da prostitución. Con motivo deste día, leemos os últimos datos do Informe Global de Trata de Persoas, elaborado por Nacións Unidas e nos arrepían, pero poden parecer lonxanos, non afectan na nosa vida cotiá, parece que non podemos facer nada. Pero hai unha realidade que debemos ter presente: o carón das nosas casas temos "Clubes" que recoñecemos, que sabemos o que acontece neles (ou imaxinamos) sostidos por proxenetas e homes prostituídores.Si, temos en Galicia a maior causa xudicial contra o proxenetismo en España coa Operación Carioca en Lugo, na que a Fiscalía non contemplou delito na prostitución dunha menor porque falsificou o seu DNI cun "bolígrafo Bic", entre outros presuntos delitos como abusos sexuais, prostitución coactiva e lucrativa, tráfico de influencias, trata de seres humanos con fins de explotación sexual e con débeda, omisión do deber de perseguir delitos, concertación de matrimonio de conveniencia, entre outros. Todo elo sostido por 370 testemuñas que non fan máis que poñer sobre a mesa que a prostitución vulnera os dereitos humanos, o dereito que temos as persoas de non ser abusadas nin utilizadas sexualmente, nin de forma gratuíta nin a cambio dunha compensación económica.Temos que facernos conscientes que a escravitude témola ao carón das nosas casas e que podemos e temos que formar parte da solución para loitar contra a trata. Podemos comezar con instar ao Goberno a reformar o Código Penal coa elevación de castigo a proxenetas. O Código penal ten que definir a figura do proxeneta, porque co artigo actual son moi poucos os proxenetas os que chegan a ser denunciados e por suposto condenados, porque son moi poucas as mulleres prostituídas que son capaces e teñen medios para enfrontarse as mafias que manteñen a industria do sexo.A loita contra a trata de mulleres e menores debe ter un incremento de recursos destinados ao desmantelamento das redes e a "Industria" da prostitución que están cada vez máis presentes no noso país e que deben dirixirse ás vítimas de trata, tráfico e prostitución, medidas específicas de integración e inserción laboral para as mulleres prostituídas, se así o deciden. Debemos rexeitar as medidas meramente prohibicionistas, dirixidas á persecución e criminalización das vítimas, as mulleres prostituídas, sen intervir contra os agresores, proxenetas e os prostituídores.Informar, sensibilizar e concienciar á sociedade en xeral, para que considere a os homes clientes prostituídores como corresponsables da persistencia da lacra da trata de mulleres e menores para fins de explotación sexual.É innegable o vínculo entre a trata de persoas e a explotación sexual. Non existiría a trata de persoas con fins de explotación sexual se non existira a prostitución e, a súa vez, esta non existiría se non houbese unha demanda, e non existiría a demanda se vivísemos nunha sociedade igualitaria onde un home nunca podería mercar, nin querería, o uso do corpo dunha muller. |
NOS_47723 | O documentario "As silenciadas" de Pablo Ces, con guión de Aurora Marco, foi recoñecido co premio "Popular" no Festival Internacional de Cine Documental online Humanity Explored. Competía con 1.054 documentarios e foi o segundo máis visto. | O filme "As silenciadas" competiu durante seis meses con 1.054 documentarios de todo o mundo no Festival Internacional de Cine Documental online Humanity Explored, promovido desde a India, USA, Indonesia e New Zealand. O filme galego foi galardoado co premio "Popular" e, dos cinco premiados, foi o segundo en número de veces que foi visto. Dirixido por Pablo Ces, o documental conta co guión de Aurora Marco e o propio Pablo Ces. Recupera a historia, a imaxe a a voz de mulleres ás que Aurora Marco se achegou para recoller tamén no libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega (Laiovento).As silenciadas é un documental histórico que ten como protagonistas ás mulleres que estiveron na clandestinidade e participaron do movemento guerrilleiro. Sufriron represión en forma de morte, cárcere, tortura ou exilio e desenvolveron un labor fundamental na oposición ao franquismo. O documental recolle testemuños únicos das participantes na guerrilla e visita os espazos nos que se desenvolveu a súa resistencia. |
NOS_32736 | As dúbidas sobre a parcialidade do xurado do Benidorm Fest e o interese dos responsábeis da Corporación de Radio Televisión Española (RTVE) na vitoria de Chanel gañan forza. Mentres aparecen novos datos sobre a conexión entre a cantante cubano catalá e os responsábeis da gala, vense de coñecer información sobre as xestións de directivos do ente público en apoio de Chanel. | O 22 de novembro de 2021 a RTVE facía pública a preselección do festival de Benidorm. O acto contou coa participación da directora de comunicación da compañía, María Eizaguirre; da xefa da delegación española en Eurovisión, Eva Mora, e de dous asesores externos, J. Cruz, un dos cantantes de referencia da música latina, e Tony Sánchez-Ohlsson, compositor e un clásico dos certames ligados a Eurovisión. Sánchez-Ohlsson apostou naquela rolda de prensa por "crear un Benidorm Fest recoñecíbel e cun cariz español" á altura de Eurovisión, "o festival máis grande do mundo, e hai que tratalo como tal". Na mesma comparecencia desvelou que durante ese mes fraguara "unha serie de conexións con autores ingleses e americanos", co obxectivo de "internacionalizar" o certame, e partillar experiencias con autores españois. A proposta de Sánchez-Ohlsson a Chanel A propia Chanel revelou após o festival de Benidorm, nunhas declaracións a El Periódico de Barcelona, as súas relacións con Sánchez-Ohlsson, destacando que foi este quen lle forneceu a canción para competir. "Tony xa me coñecía dos musicais en que traballei. Díxome que tiña unha canción para min, que me pegaba moito. Púxome en contacto con Leroy Sánchez, un dos autores, canteille a canción a modo de "casting", gustoulle e a partir de aí comezamos a traballar súper duro", afirmou Chanel. O estreito contacto entre Sánchez-Ohlsson e Eva Mora nos días previos ás semifinais do certame de 26 xaneiro levantou as sospeitas entre os xornalistas convidados a cubrir o evento. A este respecto, o diario madrileño El Confidencial, na súa edición desta cuarta feira, sinala que "Eva Mora, delegada de TVE no festival, chega a bautizala [refírese a Chanel] como "a candidata idónea a Eurovisión". "Algo pasa con Chanel" "Nos círculos que hai eses días en festas, hoteis e encontros destaca a elocuencia de María Eizaguirre, directora de comunicación e participación de TVE, que deixa caer en varias ocasións as bondades da candidatura de Chanel", continúa o xornal, que destaca que entre os periodistas desprazados para cubrir a gala comezou a crearse unha sensación de que "algo pasa con Chanel". O diario recolle que xa a segunda feira 22 de xaneiro, nun dos autobuses onde a organización do festival desprazou os periodistas desde Madrid a Benidorm, xorde "un ruxerruxe que di que Chanel, unha Beyoncé saída da nada e que non gravou unha soa canción, foi designada para gañar en Benidorm". "Aseguran que son versións que non proceden da delegación de RTVE, senón dos despachos en Prado del Rey", sede central de Radio Televisión Española en Madrid. |
NOS_21351 | O Pazo do Hórreo está baixo mínimos porque o PP non ten o menor interese no seu funcionamento. Así o ve o portavoz do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga. | O PSdeG ve con preocupación que o PP utilice o Parlamento exclusivamente como "caixón de resoancia" e só cando lle interesa do ponto de vista do marketing político. A falta de impulso por parte do grupo parlamentar conservador [detenta unha maioría absoluta de 41 sobre 75 escanos] explicaría, a xuízo do PSdeG, a paralización das comisións de investigación sobre a sanidade e as caixas e a interinidade en que se achan a dirección xeral da CRTVG e o Valedor do Pobo. Canto á CRTVG, lembra o PSdeG que o director xeral ten que ser escollido por maioría parlamentar de acordo coa lei de medios de 2011, un texto legal pactado precisamente pola bancada socialista coa conservadora. Para o portavoz do PSdeG, a atonía do PPdeG no Parlamento galego xa se está a traducir fóra da institución, como demostraría a súa perda de apoios nos recentes procesos electorais. As urnas terían mostrado que "a cidadanía quere cambio encabezado polos socialistas galegos, con independencia de quen sexa o candidato do PP", dixo coa mente xa posta nas galegas de 2020. E sobre a política de pactos nos concellos, defendeu acordos de "amplo espectro" co BNG —non as mareas— como "socio preferente", con vistas a conformar "gobernos sólidos e estábeis". |
PRAZA_12689 | O secretario xeral socialista regresou a Ourense trala vitoria no congreso de Compostela. Dende a sede socialista de Ribeira de Canedo, controlada por afíns a Vázquez, todo se preparou con esmero para que o retorno fose un éxito. Pachi Vázquez asume en primeira persoa a ofensiva programática e ideolóxica do seu partido trala celebración do último congreso. O líder socialista quere pechar definitivamente as feridas do último conclave da formación e presentarse perante a opinión pública como unha alternativa de goberno ao PP. | O secretario xeral socialista regresou a Ourense trala vitoria no congreso de Compostela. Dende a sede socialista de Ribeira de Canedo, controlada por afíns a Vázquez, todo se preparou con esmero para que o retorno fose un éxito. Convidouse aos representantes públicos da provincia e cargos ourensáns da formación. De feito, un dos principais críticos de Vázquez, o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, asistiu e situouse a carón do secretario xeral e todo transcorreu nun ambiente de cordialidade a pesar dos enfrontamentos protagonizados nos últimos meses. O secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, asume en primeira persoa a ofensiva programática e ideolóxica do seu partido trala celebración do último congreso. O líder socialista quere pechar definitivamente as feridas do último conclave da formación e presentarse perante a opinión pública como unha alternativa de goberno ao PP. A nova consigna dos socialistas é que o PSdeG-PSOE é un partido de goberno e que xa pasou o tempo de ocupar espazo nos medios de comunicación por liortas internas A nova consigna dos socialistas é que o PSdeG-PSOE é un partido de goberno e que xa pasou o tempo de ocupar espazo nos medios de comunicación por liortas internas. Nas sedes do PSOE galego repítese con convencemento "sabemos gobernar", coa intención de que a cidadanía reciba a mensaxe. De aí que os congresos provinciais estean a ter un perfil máis baixo e os anuncios como o de Caamaño da posibilidade de presentarse ás primarias non sexan vistos como unha ameaza ao liderado de Vázquez. O propio Vázquez non respondeu a unha soa pregunta sobre a organización e aproveitou para criticar a "incapacidade" dos alcaldes do PP ou "satélites" dos populares como en Os Blancos e Xinzo aos que se dirixiu para dicir "se o alcalde séntese incapaz, o ten que facer e dimitir e deixar presentar a outros". Os socialistas están preparando o terreo para esixir responsabilidades ao presidente da Xunta "polo desleixo co que trata ao interior galego" Porén, e segundo puido saber Praza, os socialistas están preparando o terreo para esixir responsabilidades ao presidente da Xunta "polo desleixo co que trata ao interior galego". Fontes da dirección socialista non entenden como "non cesa nas súas funcións o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acusado por un delito de malversación de caudais públicos e falsidade documental". Contrapoñen este exemplo á renuncia do alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa, e de momento só atopan a explicación de que "Conde Roa é máis incómodo que un delegado acusado de malversar fondos de todos e subvencións europeas". |
NOS_21797 | Nunha entrevista publicada en LVG, Adolfo Gacio asegurou que foi imputado porque "tiña que haber un concello do PP" na causa instruída por Pilar de Lara. | As sospeitas de politización do caso Pokémon teñen desde hoxe un novo e sólido argumento. Ao momento escollido, en precampaña electoral, malia que informacións aseguran que investigación que deu lugar ao operativo estaba practicamente lista á altura do mes de xullo, e ás ligazóns co Partido Popular e o Opus Dei da xuíza instrutora, Pilar de Lara, súmanse unhas explosivas declaracións do agora dimitido alcalde de Boqueixón, Adolfo Gacio. "Había que ter un concello do PP" no caso Pokémon, asegurou Gacio Detido e imputado dos delitos de prevaricación e suborno, Gacio declarou nunha entrevista publicada hoxe en La Voz de Galicia que cre ser "moeda de cambio" no caso que investiga unha presunta trama de corrupción. "Había que ter un concello no PP" dixo, para a seguir declarar que na súa opinión foi incluído para compensar a detención do alcalde de Ourense, o socialista Francisco Rodríguez, co pretenso de evitar que parecese unha causa politizada. É o único de entre os 23 arrestados na operación que está directamente vinculado ao Partido Popular, do que fai parte. O feito de que Gacio fose levado aos xulgados esposado, mentres que Rodríguez e outros encausados non, corroboraría a denuncia dunha escenificación deliberada co obxecto de evitar controversias. Asemade, a súa saída a medias --non renunciou á acta de concelleiro-- foi pactada con Feijóo e Negreira. A "dimisión trampa", como a definiu Francisco Jorquera, serviría deste xeito de compensación política a Gacio, que xa estaba a preparar desde hai meses a súa saída da alcaldía a cambio dun posto na embaixada española en Venezuela ao que non poderá optar até que se reduza o balbordo mediático. Aliás, Adolfo Gacio é o único cargo público imputado que continua a desempeñar algunha responsabilidade institucional. Un home de Romay Beccaria Outro factor a ter en conta é a estreita ligazón de Adolfo Gacio co popular Romay Beccaría, un dos pesos pesados do Partido Popular e principal valedor de Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo. De confirmarse a tese do exrexedor de Boqueixón, este tería sido empregado como cabeza de turco do PP por tratarse dunha persoa da máxima confianza da dirección popular. |
PRAZA_5011 | O comisario Almunia sinala que dende novembro agarda que o Executivo de Rajoy lle envíe unha documentación adicional imprescindible para que as autoridades europeas estuden o proxecto. O PSdeG acusa o PP de "escudarse" na UE para non construír o dique. | "O dique flotante está sendo sometido a consulta coa UE". Afirmouno o pasado 19 de febreiro o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, no Congreso dos Deputados, preguntado pola socialista Paloma Rodríguez, nunha intervención na que o ministro afirmou igualmente que "pronto virán novos contratos" e no que lle pediu ao PSOE que "recoñecese" que o Goberno estaba conseguindo "carga de traballo" para os estaleiros. As "consultas coa EU" das que falaba Montoro referíanse a unha consulta realizada o pasado mes de xullo a través dunha carta informal, que o Executivo de Rajoy sempre elevou a xestión formal, e ante a que a UE requiriu información complementaria o pasado 28 de novembro. O Goberno español aínda non enviou esa documentación, que a Comisión Europea agarda dende novembro para adoptar unha decisión sobre o dique flotante Porén, como vén de ser revelado polo comisario da Competencia, Joaquín Almunia, nunha resposta a unha pregunta formulada polo eurodeputado socialista Antolín Sánchez Presedo, o Goberno español aínda non enviou esa documentación, que a Comisión Europea agarda e esixe para adoptar unha decisión sobre o dique flotante que reclaman os estaleiros e os traballadores do naval na ría de Ferrol e determinar se é complatible co veto imposto á construción naval. É dicir, hai máis de tres meses que o Goberno central bloquea esa información, vital para o futuro do proxecto. A información ausente refírese ao financiamento do proxecto e o nivel de rendibilidade para Navantia, a estrutura xurídica do proxecto de construción, unha cuantificación pormenorizada dos fondos públicos necesarios e a información financeira (real e previsións) de Navantia para os anos 2012, 2013 e 2014. Para os socialistas galegos, "por fin demostrouse o que levamos advertindo meses: que o Goberno do PP de Rajoy mente sobre a consulta do dique flotante á UE para ocultar a súa falta de vontade política para construílo". Para Beatriz Sestayo e Paloma Rodríguez, esta revelación confirma "a desidia, a falta de interese e a falsidade do Goberno con este asunto". Para o PSdeG, o Goberno "escúdase na UE para non construír o dique. As respostas da Comisión Europea demostran que o Goberno mente descaradamente" Para o PSdeG, o Goberno "escúdase na UE para non construír o dique. As respostas da Comisión Europea demostran que o Goberno mente descaradamente, que argumentou que Bruxelas non permite a construción do dique pero o Goberno nin preguntara, logo fixeron consulta pero informal, e agora dilatan o asunto sen achegar a información que a Comisión Europea solicitou a España para poder seguir tendo unha coartada". E engaden: "mentres tanto, Feijóo, que en campaña electoral se presentou como garante do dique, tamén mente no Parlamento de Galicia e segue en silencio respecto a Madrid, cómplice mudo dun enredo do Goberno que está a provocar o afundimento do sector naval e de Ferrolterra". Conclúen que "o Goberno debe presentar a pertinente documentación na Comisión Europea, debe explicar na UE que o dique non supón nova construción senón ampliación de instalacións e, sobre todo, debe facelo xa. Nada llo impide máis que a súa falta de vontade de investir nunha infraestrutura que é absolutamente necesaria". Xa o pasado mes de marzo, hai case un ano, o comisario Almunia revelou que as autoridades españolas non realizaran a proposta formal e agora, novamente, volve contradicir oficialmente as palabras do Ministerio A SEPI comprometeuse en marzo de 2013 cos representantes dos traballadores de Navantia e dos alcaldes da comarca a realizar esta petición formal á UE sobre o proxecto, unha petición que foi explicada mesmo no Congreso polo propio presidente da SEPI, Ramón Aguirre. Durante meses o Goberno central defendeu que a petición xa fóra realizada, e que polo tanto o bloqueo da posibilidade de que Navantia puidese construír na ría de Ferrol un dique flotante dependía unicamente da UE. Porén, a versión ofrecidade sempre dende a Comisión europea é ben distinta. Xa o pasado mes de marzo, hai case un ano, o comisario Almunia revelou que as autoridades españolas non realizaran a proposta formal e agora, novamente, volve contradicir oficialmente as palabras do Ministerio, ao que hai máis de tres meses que lle requiriu unha documentación que o Goberno, por un ou outro motivo, non envía. Agora, de novo a pelota está no tellado do Executivo de Rajoy. |
NOS_426 | A poucos días da xornada electoral a Xunta envía notificacións ás gandeiras e gandeiros asegurando que lles concederá as axudas denegadas o pasado mes de xuño. A Asociación de Prexudicadas pola Fauna Salvaxe (Aperfasa-Galiza) denuncia, tamén, que asesores da Consellaría chaman persoalmente ás explotacións, actuacións que consideran que buscan de maneira irregular o voto. | A Asociación de Prexudicadas pola Fauna Salvaxe (Aperfasa-Galiza) denuncia que esta última semana de campaña electoral, centos de explotacións gandeiras recibiron cartas da Administración galega anunciando a aprobación de axudas económicas para a prevención de danos causados por lobos e xabaríns que foron denegadas no mes de xuño. Segundo explican desde esta organización, as axudas aprobadas na convocatoria de 2019 foron notificadas o día 30 de agosto dese mesmo ano e aquelas que foron denegadas non recibiron a confirmación até o pasado 6 de xuño de 2020. "Todo normal", indican fontes desta asociación, "até que o día 8 de xullo as explotacións comezaron a recibir cartas que consideramos son graves". Rectificar sen ter orzamento Nós Diario tivo acceso a algunhas desas cartas, asinadas pola directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta, que indican que as axudas solicitadas o ano pasado, denegadas en xuño, agora pasan a reconsiderarse "polo seu interese económico e social" e tramitarase o "expediente que permitirá a concesión da axuda solicitada". As cantidades que se aprobarían coinciden en todos os casos coas cantidades solicitadas polas propias gandeiras e gandeiros. "É unha carta explicativa, puro comercio de votos", aseguran desde Aperfasa-Galiza. "Nós temos unha resolución aprobatoria e se quixesen poderían mandar unha rectificación desa resolución denegatoria", engaden. A gravidade, neste caso, viría polo envío a poucos días da xornada electoral mais tamén pola imposibilidade de contar con orzamentos para facer efectiva a afirmación que contén. Na mesma carta sinalan que no seu momento fora denegada polo "elevado número de solicitudes presentadas (que) determinou que o crédito orzamentario se vise amplamente superado". Promesa electoral "É unha promesa electoral sen un fundamento orzamentario", indican desde Aperfasa-Galiza, "se a gandeira ou gandeiro reclama, a xustiza dirá que é unha intención, non unha resolución concreta con fondos", clarifica. Esta mesma semana as explotacións recibiron tamén a notificación por escrito da aprobación das axudas polo mesmo motivo de 2020. "Viñeron todas admitidas e polas cantidades totais solicitadas", explican desde a asociación, "é un despropósito, non hai orzamento para isto", confirman. Ademais numerosas explotacións denunciaron, tamén estes días, chamadas telefónicas de asesores de Medio Rural interesándose por estas e outras axudas. |
NOS_26447 | Os cambios de trazado non só afectaron a A-6. A modificación do tramo da autovía Rías Baixas entre Melón e Barbantes, obra na que tomou parte FCC, tamén resultou polémica. De feito, as mudanzas no proxecto do viaduto foron denunciadas xa en 1998. | O papel de FCC na construción de viadutos e pontes na Galiza non está exento de polémica. Após os derrubamentos de dous tramos da A-6, puxéronse de manifesto as irregularidades na planificación do viario. Irregularidades que tamén se estenden á autovía das Rías Baixas, a A-57. O 6 de agosto de 1998 o xornal A Nosa Terra, nunha reportaxe asinada por Horácio Vixande, advertía do cambio do proxecto de viaduto do Avia, no treito da autovía entre Melón e Barbantes, do que participaba, tamén FCC. Sinalábase a "importante rebaixa" na calidade da obra, ao "modificar o proxecto para abaratar o custo". A empresa concesionaria, unha Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Cubiertas e FCC, comprometérase cunha rebaixa do 48% a respecto do orzamento inicial e, posteriormente, coas obras en parte rematadas, o Ministerio de Fomento admitira a mudanza do proxecto "para así aforrar cartos malia o sacrificio da calidade". Que pontes construíu FCC na Galiza? O aforro derivado do proxecto presentado pola UTE supuña a diminución da cota dalgunhas pontes e a substitución doutras por "recheo de pedra de inferior calidade". A información puña de manifesto que o viaduto do Avia, inicialmente proxectado con dous arcos centrais, construíuse finalmente sobre piares continuos, algún deles sobre o leito do río e que outras tres pontes previstas foran substituídas por "bóvedas prefabricadas con recheo de terra e pedra". "Algúns pasos previstos para seren inferiores, pasaron a estar suspendidos sobre pontes. Un exemplo diso deuse no quilómetro 113", sinala a peza, que tamén chama a atención sobre o enlace de Esposende, cun cruzamento "conflitivo" de gran pendente. A reportaxe alude tamén ás incidencias na construción do viario, como as rexistradas no citado viaduto do Avia, de aproximadamente un quilómetro de lonxitude, onde se colocaron dous tipos de neopreno nas xuntas de dilatación de tres dos piares, "nunha posición intercambiada e distinta á de como figuraba no proxecto, deixando moi insegura a ponte". As conexións políticas no modelo de negocio de ACS e FCC Esa deficiencia foi posteriormente corrixida, "levantaron o taboleiro, aserraron as suxeicións de neopreno e intercambiáronas", unha solución por medio da cal "a seguridade é absoluta", segundo certificou Inypsa, empresa supervisora da execución das obras naquel momento. Inypsa, filial dunha multinacional americana, entrou en crise durante a construción da autovía. Por outra parte, a reportaxe aludía tamén á presentación dun proxecto por parte da UTE para remover sete millóns de metros cúbicos de terra, en lugar dos oito iniciais que, posteriormente aumentaran a nove, no treito que afectaba o monte de San Trocado, situado enriba de Barbantes. Con esta operación, a empresa aforraría "dous millóns de metro cúbicos, o que, a 400 pesetas por metro cúbico, dan 800 millóns de pesetas de aforro que irían á caixa da UTE e non do Ministerio", recollía a publicación. |
NOS_17038 | Goberno español e os axentes sociais achegaron posturas de cara a fechar unha nova prórroga dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) até xaneiro de 2022. | O Goberno español e os axentes sociais aproveitaron a reunión desta quinta feira para achegar posturas, mais aínda seguen sen acadar un acordo sobre a prórroga dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) até 31 de xaneiro. As posturas partían moi distanciadas, xa que os sindicatos opóñense a que se vinculen os expedientes a plans de formación para buscar un acomodo ás persoas traballadoras afectadas noutro departamento da propia empresa ou noutro sector. Á reunión prevista para esta sexta feira as partes chegan coas ideas máis despexadas. Segundo fontes do diálogo social, a nova prórroga vaise estruturar en dúas fases de vixencia: a primeira estenderá os ERTE nas mesmas condicións que as actuais até 31 de outubro, mentres que a segunda introducirá novas condicións e estará vixente entre 1 de novembro e 31 de xaneiro de 2022. O obxectivo desta dobre vixencia é dar ás empresas tempo para renovar a solicitude de ERTE, pois para iso terán de prazo dez días, do 1 ao 10 de outubro, e a Administración terá que responder á devandita solicitude nos dez días seguintes. Desde UXT aseguran que segue a haber "inconvenientes" no que respecta a as exoneracións vinculadas á formación e que existe "resistencia" no Goberno para poñer o 'contador a cero' nas prestacións por desemprego. Os sindicatos queren que este chegue polo menos até 30 de xuño de 2022. CCOO tamén pensa que vincular as exoneracións dos ERTE Covid á formación debe abordarse no mecanismo de flexibilidade interna que substituirá aos ERTE de maneira estrutural e que se incluirá no debate na mesa da reforma laboral. Na Galiza, CIG insiste nesta última vía, a de derrogar a actual reforma laboral, deseñar unha política fiscal máis progresiva e xerar emprego de calidade. |
NOS_1362 | De acordo coa información fornecida por Medio Rural, neste momento na Galiza hai un total de 15 incendios, entre activos, estabilizados e controlados. Esta vaga de lumes devorou xa máis de 2.000 hectáreas. A oposición critica a Xunta por ter relaxado o dispositivo anti-incendios á conclusión do verán. O deputado do BNG Xosé Luís Rivas 'Mini' falou esta sexta feira de "tremenda imprudencia" do Goberno galego. | Galiza rexista a tal hora 4 lumes activos, en Paderne de Allariz, San Cristovo de Cea, Vilamarín e Chantada. Hai tres estabilizados, en Vilariño de Conso, nas parroquias de Chaguazoso, Castiñeira e Sabuguido, mentres que son 8 os incendios que estarían xa controaldos. As lapas alcanzaron superficies arboladas de dous espazos de grande valor ambiental, o Parque Natural do Xurés -en plena rede natura 2000- e Os Ancares. A vaga de lumes deste outono está a ultrapasar a capacidade de resposta da Administración autonómica, segundo a oposición. O parlamentar do BNG Xosé Luís Rivas 'Mini' dixo esta sexta feira en conferencia de imprensa que "nunca foi oficio do BNG en tempos duros criticar por criticar, mais foi tremenda imprudencia desactivar o dispositivo". Á conclusión da temporada do verán, a Xunta tería desactivado parte do dispositivo anti-incendios, nutrido con traballadores "con contratos fixos discontinuos de tres meses", denunciou Rivas. Parte dese persoal tería sido recrutado de novo durante estes días de lume, que sobre todo teñen atinxido concellos de Ourense. A falta de previsión e a inexistencia dun servizo "100 por 100 público" e que atenda a eventualidade do lume "os 365 días do ano" é o que explicaría a desprotección do país perante vagas de lume como a que se está a viver neste momento. |
PRAZA_13902 | O colectivo ecoloxista denuncia que as illas seguen sen Plano Reitor de Uso e Xestión e que nelas estanse a realizar "brutais desbroces" que "afectan a flora autóctonae a mortandade de vertebrados e invertebrados". | Verdegaia reclama que as Illas Atlánticas (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada) deixen de ser Parque Nacional "se continúan as prácticas destrutivas de manexo que se veñen realizando os últimos anos". O colectivo ecoloxista lembra nun comunicado que, "no seu décimo aniversario" o Parque Nacional segue sen aprobar o Plano Reitor de Uso e Xestión (Prux) e está a realizar brutais desbroces", que xa foron denunciados en numerosas ocasións. Segundo denuncia Verdegaia, o pasado 2 de xullo o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia cumpriu dez anos de idade e "non o fixo con boas novas de cara á debida conservación dos ecosistemas que abrangue". "Aínda non aprobou o seu Prux, incumprindo a súa propia lei de declaración", asegura o colectivo, que lembra que se "están a realizar brutais desbroces para supostamente previr os lumes forestais e mellorar o hábitat de especies". O Prux das Illas Atlánticas é a ferramenta que ten que ter un espazo natural destas características para delimitar as actividades que se levan a cabo no seu seo. "Este documento debía ter sido elaborado no prazo dun ano a partires da aprobación da Lei 15/2002 de 1 de xullo pola que se declara o Parque Nacional", asegura Verdegaia, que lembra que o Prux xa acumula un atraso "de máis de nove anos". "A este inaceptable atraso hai que sumarlle que o Prux. estivo a exposición pública e en periodo de alegacións o pasado mes de setembro e xa vai haber un ano dende que Verdegaia e outras entidades presentamos alegacións ao mesmo", di. Verdegaia denuncia que os desbroces para previr os lumes acaban matando diversas especies Por outra banda, e segundo Verdegaia, os desbroces que se están a levar a cabo no espazo natural "tampouco axudan para festexar estes dez anos de Parque Nacional". "Trátase de desbroces no borde de pistas mais tamén de xerar grandes superficies sen vexetación 'para mellorar o hábitat de especies con poboacións en perigo como son o azor e o lagarto arnal", segundo o propio director conservador do Parque, José Antonio Fernández Bouzas", denuncia Verdegaia. Pero Verdegaia asegura que "non existe ningún estudo técnico nin plan de recuperación para o azor nin para o lagarto arnal que indique a necesidade deses desbroces", ademais de aclarar que "a única e verdadeira razón para levalos a cabo é para previr os lumes forestais". "Resulta lamentable esa xustificación dos desbroces masivos en Hábitats de Interese Comunitario, cando nas illas xa existen medios para a loita contra o lume, coma motobombas e brigadas específicas, e xa hai unha extensa rede de camiños e cortalumes", engaden. As rozas foron levadas a cabo con desbrozadoras de cadeas, o que ocasionou a destrucción dos niños e ovos das especies que crían nos matogueiros As rozas foron levadas a cabo con desbrozadoras de cadeas, o que ocasionou a destrucción dos niños e ovos das especies que crían nos matogueiros, segundo denuncia o colectivo ecoloxista, que atopou pitos mortos nas pistas tras o paso das desbrozadoras. "Prodúcese a mortandade doutros vertebrados (réptiles incluídos) e invertebrados, a destrución da flora autóctona (con numerosas especies endémicas) e provocou graves danos no funcionamento e estrutura dos ecosistemas", din. Ademais, esas rozas convértense nunha vía de entrada de especies alóctonas e favorecen a invasión de especies exóticas como as acacias e a margarida do Cabo, que deste xeito poderían acceder a hábitats prioritarios onde están presentes moitas especies endémicas do noroeste peninsular. "No Parque Nacional estase a levar a cabo unha pésima e contraproducente xestión dende hai anos. Son necesarios cambios drásticos para procurar a conservación dos hábitat naturais, conter e evitar a invasión de especies exóticas invasoras e cumplir os obxectivos de creación dun Parque Nacional", aseguran. O despilfarro dos medios económicos do Parque en actuacións destrutivas como as aquí denunciadas, contrasta coa súa escaseza de persoal e de medios, que incluso provocou que, en determinados momentos do mes de xuño, as praias deste espazo protexido estiveran ateigadas de lixo e que o propio persoal do espazo protexido non fora quen de recollelo en varios días. Por todos estes feitos, Verdegaia solicita "que as illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada deixen de ser Parque Nacional se continúan as prácticas destrutivas de manexo que se veñen realizando nos últimos anos". "Tamén solicitamos a dimisión do Director do Parque Nacional, pola súa nefasta e neglixente xestión, e a dimisión do Presidente do Padroado", din en Verdegaia, que denuncia tamén que o Padroado hai xa tempo que non se reúne. |
PRAZA_3947 | Galicia está nunha situación institucional inédita, co Parlamento disolto pola convocatoria das eleccións non celebradas pero cun Goberno que goza de plenas funcións. En resposta aos grupos parlamentarios, o servizo xurídico vén de emitir un informe no que ve claro que poden formular preguntas e solicitudes de documentación á Xunta a través da Deputación Permanente nesta situación excepcional | Galicia vive unha situación institucional inédita nas súas case catro décadas de autonomía política. O Parlamento está disolto polo decreto de convocatoria das eleccións que se fixaran para o pasado 5 de abril, as mesmas que foron adiadas por mor da crise do coronavirus. Esa cancelación dos comicios foi decretada "deixando sen efecto" o decreto de convocatoria no que atinxía á chamada ás urnas pero non á disolución do Parlamento, dando lugar á inédita situación dun Goberno en plenas funcións por tempo indefinido pero cunha Cámara disolta e con funcións limitadas.Galicia está nunha situación institucional inédita, co Parlamento disolto pola convocatoria das eleccións non celebradas pero cun Goberno que goza de plenas funciónsCo lexislativo disolto, o único órgano que segue operativo é a Deputación Permanente, composta por unha vintena de escanos que reproducen o xogo de maiorías do pleno e cunhas funcións moi limitadas. En síntese, os grupos da oposición poden reclamar convocatorias deste órgano para que comparezan nel membros do Goberno galego, pero esa solicitude só sae adiante se a maioría -o PP, neste caso- o considera oportuno. Daquela, o único mecanismo de control da Xunta nesta situación sen precedente está nas mans do partido que sustenta ao propio Goberno.Neste contexto, a finais de marzo todos os grupos elevaron unha consulta aos servizos xurídicos do Parlamento na que solicitaban "delimitar as funcións da Deputación Permanente", preguntando se é ou non posible controlar ao Goberno con procedementos como as preguntas ou as solicitudes de documentación, entre outras iniciativas e a resposta é que si.O servizo xurídico da Cámara ve claro que os grupos parlamentarios poidan formular preguntas e solicitudes de documentación á Xunta a través da Deputación Permanente nesta situación excepcionalEse informe, ao que tivo acceso Praza.gal, foi emitido este 17 de abril e nel os servizos xurídicos fan mención a un amplo abano de normativa vixente en Galicia e noutros puntos do Estado e de Europa para concluíren que si hai marxe para, cando menos, algunhas das iniciativas de control do Goberno. Veno especialmente claro para a presentación de preguntas e a solicitude de documentación á Xunta. "O seu exercicio escrito non suscita dificultades de admisión", cren, "por tanto integran vías de control e transparencia do Executivo nun momento no que está obrigado", segundo o decreto polo que se adiaron as eleccións, "á fixación o máis inmediata posible da cita electoral". Tampouco ven "dificultades" para que as preguntas poidan ser orais, o que na práctica abre a porta á celebración de sesións de control ao Goberno.O servizo xurídico do Parlamento tamén ven "encaixe claro" ás solicitudes de comparecencia dos membros da Xunta, figura parlamentaria que require do visto e prace da maioría e que, daquela, está suxeita á aprobación ou non do PP. Tamén consideran viable, aínda que cun "encaixe" máis "difícil" nas "funcións tradicionais da Deputación Permanente, que os grupos presenten proposicións non de lei e mocións -iniciativas que, de aprobárense, instan a Xunta a tomar unha decisión concreta sobre un asunto-. O mesmo consideran das interpelacións ao Goberno.O informe xurídico condiciona ao "consenso das forzas políticas" a presentación de iniciativas como as proposicións non de lei" das que subliña que facilitan o "debido e efectivo control e impulso da actividade do Goberno ata que se constitúa a nova Cámara galega"Coidan que para poder encaixar este tipo de iniciativas na Deputación Permanente sería preciso o "consenso das forzas políticas da Cámara". Agregan, non obstante, que permitilas será tanto como facilitar que a Deputación Permanente "exerza o debido e efectivo control e impulso da actividade do Goberno ata que se constitúa a nova Cámara galega, garantindo o equilibrio constitucional e estatutario de poderes". Si pechan a porta -algo que a oposición non propuxo- a que a Deputación Permanente puidese aprobar leis ou debater mocións de censura ou mesmo unha investidura.Unha vez coñecido este informe, a primeira reacción chegaba dende o BNG, cuxa portavoz nacional, Ana Pontón, considera que o servizo xurídico "dá a razón" aos grupos da oposición en xeral e ao Bloque en particular. Por iso, cre, o máis axeitado sería que os grupos parlamentarios se reúnan canto antes para "poñer en marcha a actividade parlamentaria". Pola banda do PSdeG, o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, ve aberta a vía para "activar a Deputación Permanente como mecanismo para fortalecer a resposta democrática en Galicia ante a crise provocada polo covid-19". Dende o Grupo Mixto, En Marea aplaude que sexa posible a realización de preguntas, pero lamenta que o PP poida ter dereito de "vetar" iniciativas ao condicionar a súa presentación a que haxa "consenso". |
NOS_23517 | O 8-M volveu tinguir a Galiza de morado. Máis dunha trintena de localidades acolleron numerosas mobilizacións en horario de mañá e tarde convocadas tanto polo movemento feminista como polas forzas sindicais. | O Día das Mulleres Traballadoras amenceu na Galiza coa convocatoria serodia de marchas reivindicativas con motivo do 8-M. Vilas e aldeas acordaron a última hora sumarse á mobilización feminista que inzou o territorio de lila, pancartas e miradas cómplices na defensa dunha transformación real da vida das mulleres. Para Galegas 8-M, a plataforma que aglutina o movemento feminista arredor desta data reivindicativa, todas as manifestacións públicas que se deron esta terza feira en moitas comarcas son reflexo da forza e da capacidade de autoorganización que ten o feminismo galego "non só nas cidades senón tamén en vilas e municipios pequenos, cunhas dinámicas e cun discurso propios". As mulleres galegas saen a rúa contra a precarización do mercado laboral Precariedade e coidados Estefanía Busto vive en Oza-Cesuras. Participa do Colectivo Feminista das Mariñas e esta terza feira á noitiña achegouse á mobilización convocada onda o palco da música de Betanzos. "Sobran as razóns", afirma en declaracións a este xornal. "A pandemia serviu como pretexto para incrementar as desigualdades que sofren as mulleres, sobre todo no laboral. Fomos as mulleres as que renunciamos ao traballo asalariado para dedicarnos aos coidados". Como docente advertiu como ao longo dos últimos dous anos foron "as mamás" as que quedaron na casa coas crianzas e asumiron o peso das actividades esenciais, "feminizadas en precario". Como muller traballadora e autónoma, Iolanda Naya manifestouse esta terza ao mediodía na Coruña convocada pola CIG. "Teño unha tenda no centro da cidade e fechei, como todos os anos. Este non hai folga pero considero que é un xesto máis, necesario, que me permite saír e reclamar o nosos dereitos, os meus e os doutras moitas mulleres aínda máis oprimidas". "No ensino, sen as mulleres non se podía facer nada" Baixo o seu punto de vista, as mulleres volveron pagar o peor da crise, da económica e da sanitaria. "Foron as primeiras en tornar á casa durante a pandemia". As primeiras en pagar as consecuencias. "Non só se frearon avances moi necesarios senón que se deron pasos atrás", sobre todo no ámbito laboral e profesional "con moitas mulleres obrigadas a reducir xornada" ou prescindir dun traballo remunerado, co que iso supón en termos de salarios, pensións e sustento. As mulleres, di, foron as que antes e de forma máis grave están a pagar as consecuencias laborais físicas e mentais da pandemia. "Somos as grandes esquecidas". O testemuño das mulleres que esta terza feira se encontraron nas rúas, prazas e torreiros da Galiza contradí o discurso "reaccionario da ultradereita", advirte Elena Fernández desde Chantada. É parte do colectivo Polamiúda e este 8-M acudiu á praza de Santa Ana para rebater "esa idea cada vez máis compartida de que todo está feito, que xa estamos en igualdade de condicións. Nada máis lonxe da realidade". Os coidados, a temporalidade, o paro e as crises seguen a recaer nas mulleres, di. "Ocupamos tanto tempo en ter medo que a conquista dos nosos dereitos quedou estancada, así que saímos á rúa polo mesmo que en 2018". Porque a xustiza segue a ser "patriarcal", e porque hai "un discurso neomachista" cada vez máis perceptíbel na rapazada. Revolución feminsita Para Laura Sanjuan, que esta terza se manifestou en Vigo, a revolución feminista "é unha das loitas que máis está a transformar a sociedade". Neste sentido, acolle todas as súas reivindicacións, mais defende, neste momento, a súa capacidade para visibilizar os logros pendentes. "Aínda hai xente que considera que o feminismo non é necesario, que se burla de nós e dos nosos dereitos". Pon o foco na ultradereita e nun activismo que máis aló dos avances individuais defende un éxito colectivo. "Non seremos mulleres libres mentres siga habendo mulleres sometidas", rememora. Obxectivo 8-M: transformar desde a raíz A revolución feminista á que aludía Sanjuan desde Vigo, dálle continuidade Dores Fernández desde A Mariña. "Síntome feminista desde que teño lembranza. Para min esta data significa pór a cabeza nos problemas que nos afectan ás mulleres e nas necesidades para alcanzar unha igualdade real", no laboral e no político. E así o fixo, á mañá en Viveiro, convocada pola CIG e á tarde en Barreiros, chamada por Galegas 8-M. Alba Balboa xuntouse en Verín canda outras moitas mulleres rurais da comarca. "Nesta contorna temos unhas fendas de xénero moito máis profundas que no medio urbano". O acceso aos servizos e menor e a carga de coidados moito maior, explica, razón suficiente para se mobilizar e intensificar o traballo feminista no rural, entre a poboación envellecida e a xente moza. Moita, lida a diario coa crianza e a maternidade, que na mobilización de Compostela gozou dun espazo propio. Alicia Corral participou del, para exixir a fin de todas as violencias que rodean as nais e a cativada e reclamar unha "educación feminista". "Está moi ben visibilizar as nosas demandas, pero hai que atendelas" A plataforma Galegas 8-M foi a responsábel da convocatoria unitaria que reuniu o feminismo galego en máis dunha trintena de municipios, un movemento "diverso e inclusivo", explica Ester Mariño a Nós Diario, cun funcionamento propio. "Aquí hai unha realidade diferente que deu pé a un movemento propio. Nunca nos organizamos nin programamos o 8-M mirando o que se estaba a facer en Madrid ou en calquera outro sitio, por iso non entendemos o silencio que rodeou este ano as mobilizacións e as dinámicas propias do feminismo galego". 'Ax(e)itar a lingua', o novo manual de linguaxe inclusiva Mariño non deixa pasar esta crítica ao tempo que "presume" do ímpeto co que o movemento feminista da Galiza saíu esta terza feira á rúa para berrar: 'Nin escravas, nin heroínas, mulleres con dereitos xa'. Desde 2018, di, o éxito das mobilizacións feministas non obtivo, na práctica, "mecanismos áxiles capaces de reverter a situación de desigualdade. Está moi ben popularizar as nosas demandas pero tamén hai que atendelas". Urxen medidas concretas e recursos. O traballo, os coidados e a precariedade que impregna estas dúas esferas centraron as reivindicacións do colectivo, que sumou as súas demandas ás dos sindicatos en sectores concretos como o das residencias, os servizos de axuda no fogar ou a conserva. |
NOS_5108 | O rascuño das teses do BNG para a súa XVI Asemblea Nacional están prontas para o seu debate este sábado no Consello Nacional da formación frentista. Nesta entrevista avánzanos algúns dos trazos do relatorio o responsábel de Comunicación do BNG, Rubén Cela. | -O Consello Nacional aproba este sábado o rascuño das teses do BNG para a XVI Asemblea Nacional. Podemos dicer que incorpora o espírito das conclusións do Proceso Adiante [dinámica de debate aberta a persoas simpatizantes desenvolvida polo Bloque durante 2016]? -Eu creo que en grande medida, si. Son unhas teses que reactualizan a análise do nacionalismo, que se debruzan sobre a conxuntura política actual quer a nível de estado quer a nível mundial. O BNG é unha organización con vocación transformadora e para transformar ti tes que ter capacidade de ler correctamente o que pasa na túa contorna e, portanto, non ter análises estáticas das cousas, senón ser capaz de, se é posíbel, antecipar cousas que poden pasar e, nese sentido, estas teses analisan desde o Brexit até a chegada de Trump, desde o que está acontecendo en Siria aos fenómenos migratorios actuais. A nível internacional, actualizan algunhas das cuestións que están acontecendo. Na esfera estatal estudamos tamén cal é o novo panorama político, con dous elementos que xogan un rol importante na análise, como son a eclosión de novas forzas políticas e as consecuencias prácticas que diso decorre e, por suposto, o proceso soberanista en Catalunya. Mais despois o que fai, e iso entronca moito co Proceso Adiante, é unha reactualización das análises que o nacionalismo fai do propio país. E aí o que hai é unha reafirmación de que as análises históricas do nacionalismo son correctas. E, portanto, a conceitualización colonial de Galiza en termos económicos e sociais ou ben a radiografía de cuestións que teñen a ver coa nosa cultura, co noso idioma, coa nosa estrutura produtiva... aí vemos que no fundamental seguen vixentes cousas que dicíamos hai vinte ou trinta anos; mesmo algunhas delas tiveron unha grandísima capacidade preditiva, sobre todo no que ten a ver coa UE, o BNG practicamente era a única forza política no Estado que dicía o que ía supor Maastricht, o Mercado Común, a entrada do euro. Moitas das cousas que o BNG prognosticaba hai 10 ou 15 anos pois hoxe se pode verificar que estaban no certo. Para transformar ti tes que ter capacidade de ler correctamente o que pasa na túa contorna e, portanto, non ter análises estáticas das cousas Entón, o groso de todo iso continúa a ser correcto, mais tamén é certo que o país ten mudado, e moito, nos últimos anos e en múltiples aspectos. O que fai o BNG tamén é unha actualización das súas análises en cuestións que teñen experimentado cambios importantes, como o tema demográfico, como a realidade lingüística, como a emigración, como as consecuencias prácticas para a clase traballadora da xestión da actual crise e demais. Ten unha primeira parte de reactualización de análises, mesmo tamén de principios-ideolóxicos políticos, tomando como ponto de partida os principios de Riazor, que continúan plenamente vixentes. Falo de Galiza-nación, autodeterminación, anti-imperialismo, pacifismo, direito a unha economía autocentrada, a unha política económica e social xusta. Pois ben, trátase de actualizar todo isto coa incorporación de elementos que xa facían parte do ADN e, sobre todo, da práctica política do BNG durante todos estes anos, desde o ecoloxismo, os direitos da chamada segunda xeración, o laicismo, toda unha serie de cuestións que se actualizan e se incorporan. Hai tamén unha actualización desde a perspectiva de que nos dotaremos duns novos estatutos e, polo tanto, unha nova carta de direitos e deberes para a militancia do BNG. Neses novos estatutos incorpóranse cousas que para nós son importantes como unha institucionalización do rol das persoas simpatizantes, das asembleas abertas. Unha nova funcionalidade da comisión de garantías, que non só vai actuar en caso de conflitos, senón tamén para garantir o cumprimento de, por exemplo, os acordos asembleares. Ou unha revisión do propio mapa comarcal do BNG, por pór só algúns exemplos. No fondo, o que hai é unha reactualización para ter unha organización máis forte e con maior capacidade política e de incidencia social práctica. En realidade, ese é o grande repto desta asemblea, como actualizar para relanzar e repotenciar o proxecto do nacionalismo político na Galiza. -No meio deste proceso produciuse a integración no Bloque da Fronte Obreira Galega (FOGA) que obxectivamente é un elemento que reforzaría o frentismo como unha característica intrínseca da organización. -O BNG é unha organización plural. Ese é un dos elementos consustanciais á propia existencia do Bloque. Como se artella esa pluralidade? Ben, o BNG escolleu no seu día un modelo que foi tremendamente novidoso e singular. Un modelo de estrutura frentista, de adscrición individual, mais onde existen partidos e colectivos que representan opcións ideolóxicas diferentes, organizados e recoñecidos. Creo que foi un modelo moi válido durante moitos anos e que continúa tendo validez para moitos outros. Entre outras cousas, se te fixas... a ver, nós moitas veces non poñemos suficientemente en valor algúns dos acertos e algúns dos adiantos do BNG... O modelo do BNG foi no que se inspirou no seu día o Bloco de Esquerda en Portugal, mesmo tomou como referencia para o seu logotipo o de Galiza Nova. Tamén ollaron para nós o Bloc Nacionalista Valencià ou, salvando as distancias, porque é un modelo que aínda está en construción, a propia Bildu ou a Fronte Ampla uruguaia e outro tipo de organizacións. En definitiva, o BNG foi un adiantado ao seu tempo e xa no ano 82 foi quen de se dotar dun esquema organizativo propio e congruente e coherente coas análises ideolóxico-políticas que facíamos e que facemos. O BNG sempre identificou a realidade galega como unha realidade colonial e por iso sempre entendeu que un proceso de liberación nacional, nun país con moi pouca consciencia de seu, debía ser capaz de aglutinar todos os sectores que obxectivamente defenden Galiza como suxeito político con capacidade de decisión. E iso á marxe de que uns podan ser marxistas, outros socialdemócratas, outros socialistas, outros máis liberais ou o que sexa. Esa diversidade sempre é boa, sempre é enriquecedora e, desde logo, eu prefiro moito máis que poda haber diferenzas e mesmo debates de fondo sobre cuestións ideolóxicas do que sobre familias ou correntes de poder. Nese sentido, o da FOGA é unha moi boa noticia. Sempre que se incorpora alguén é unha moi boa noticia. E reforza ese espírito do BNG como casa común do conxunto do nacionalismo. Nese sentido, a de FOGA é a primeira incorporación colectiva do BNG en bastantes anos. Eu estou seguro que non será a última. Mais alén do que son as incorporacións colectivas, o que si temos detectado nos últimos tempos é un número de altas moi importante no BNG. Xente moi nova, ademais. Dotarémonos duns novos estatutos e, polo tanto, unha nova carta de direitos e deberes para a militancia do BNG -Mais o BNG se está a constituír exclusivamente como unha fronte de esquerda? Os partidos que están dentro, incluído a FOGA, teñen esa orientación... -Ben, se entendes por esquerda un proxecto político ao servizo da causa nacional e a favor da defensa dos intereses das clases populares galegas, pois si. Ora, dentro deses obxectivos hai espazo para un espectro ideolóxico amplo, tamén. Aquí no BNG houbo organizacións integradas como o PNG-PG sen que iso mermase en absoluto o papel do Bloque como forza anti-imperialista, como forza solidaria con determinadas causas do planeta ou cun determinado modelo de xustiza social. Eu creo que en absoluto é incompatíbel. -Por primeira vez en moito tempo, o Bloque irradia optimismo. Non pode ter isto como contrapartida negativa que algúns instintos conservadores de vellas inercias se reactiven? -Eu creo que non. Hai optimismo no BNG. Pasamos anos moi difíceis e obxectivamente complicados, no plano interno e no externo. E eu creo que hai optimismo porque hoxe a inmensa maioría da militancia do BNG está reafirmada nos pasos que se teñen dado nos últimos anos, sobre todo aqueles que teñen a ver con garantir que siga existindo na Galiza unha expresión política nacionalista, propia, independente, e sen nengún tipo de atadura con ningún ámbito extra-galego. Todos somos conscientes de que o camiño non é doado, non é rápido, pero é o correcto. E nese sentido ese é un dos elementos importantes que explican por que hai optimismo. A partir daí, entramos nunha nova etapa, onde hai un relevo xeracional importante, onde temos unha portavoz nacional moi nova, unha persoa moi preparada, con moita formación política no ideolóxico, mais tamén no práctico e onde hai moita xente que ve que estamos en disposición de remontar. E non só recuperar espazo e tempo perdidos, senón mesmo a meio prazo en disposición de poder ampliarmos e agrandarmos a base social e eleitoral do nacionalismo. En todo caso, esa é unha das grandes cuestións que hai no trasfondo desta asemblea nacional, e é que o BNG non pode nen debe ser exclusiva nen fundamentalmente unha maquinaria eleitoral. Nós como organización política apresentámonos ás eleccións. Quen se apresenta ás eleccións sempre quer ter o mellor resultado posíbel. Para nós as institucións son un elemento básico nese proceso de autoestima colectiva e para as pór ao servizo da conquista da liberdade para o noso país. Ora ben, non ten que ser o único ámbito de traballo para unha organización política como o BNG. Esa componente de traballo social, de mobilización, de actuar transversalmente noutros ámbitos de actuación como o lingüístico, como o cultural, como o sindical, ten que ser unha preocupación permanente do BNG e non exclusivamente o ámbito eleitoral e institucional. -Nese sentido estaría a definición do BNG como "movimento socio-político" que se avanza no rascuño das teses. Para que iso non fique na abstracción, que contidos concretos pode incorporar? -Pois un pouco na liña do que estabamos a falar. Eu creo que na práctica sempre o foi. Unha cousa é que agora te definas como un movimento socio-político, que te reafirmes nas teses que aspiras a ser algo máis que unha maquinaria político-eleitoral, e outra cousa é que o BNG en grande medida sempre foi iso. A necesidade de saber compaxinar o que é o traballo institucional co social, e tamén entender que un proceso de liberación nacional nunca se vai levar exclusivamente pola vía institucional-eleitoral. Ese ten de ser un elemento crucial, mais non o único. O aumento da conciencia nacional, da auto-organización do pobo galego, da autoestima... para todo iso é moi importante o traballo que o nacionalismo poda facer desde as institucións, mais sería un erro garrafal entender que todo se vai conseguir por esa vía, porque non é certo. -O que si é verdade é que a maior parte dos cadros do Bloque están máis na fronte institucional do que na social. Iso como se pode contrabalancear? -Ben, pois dándolle máis importancia a outros ámbitos de actuación. No BNG, por necesidade tamén, sempre as persoas con maior cualificación, con maior preparación, con maior capacidade dialéctica, sempre se intentaron promocionar nos ámbitos institucionais, moi limitados tamén para o Bloque. Do que se trata agora é de valorizar outro tipo de ámbitos e tamén primalos internamente. Nese sentido nestas teses fálase de reforzar o papel da Fundación Galiza Sempre nun ámbito moi importante, o da formación, que no nacionalismo non se atendeu debidamente durante os últimos anos. Non gosto do termo think tank, pero si tencionamos facer da Fundación Galiza Sempre unha escola de formación de cadros. E esa escola ten que ter unha parte institucional, mais outra que non o sexa, senón de formación en temas moi variados e tamén xogar un rol de fornecedor de análises e de propostas para a práctica política do nacionalismo. E logo o BNG sempre estivo presente... non houbo ningún conflito, ningunha mobilización, nen nada que se movese minimamente neste país, en que non estivese o BNG. En todo caso, sempre se pode facer máis e mellor. Hoxe a inmensa maioría da militancia do BNG está reafirmada nos pasos que se teñen dado nos últimos anos -Última cuestión. Na fin de semana realizaron as súas respectivas cimeiras estatais dúas formacións políticas relevantes no noso país. Unha, a hexemónica, o PP. A outra, Podemos, con importante presenza no interior de En Marea. Que valoración fas dos seus procesos congresuais? -Pois que teñen unha grande similitude nunha cousa: que neses encontros existiu unha ausencia total de Galiza como suxeito político. Total ausencia. O país non apareceu nen moito nen pouco. Cero. Supoño que haberá moitas galegas e moitos galegos que dirán: "sobre as nosas necesidades e sobre o noso país, de que se falou?". E tamén creo que en ambos casos o que era o temario asemblear ou congresual pois está tremendamente distante do que son as necesidades e as inquedanzas da maioría da populación. No caso do PP, no proceso non houbo nen a máis mínima autocrítica, nen sequer de paripé, nen a respeito da corrupción nen a respeito das consecuencias prácticas que tivo a súa xestión da crise. Recoñecer un erro non implica que se vaia solucionar, mais cando nen sequer recoñeces que errache, o único que podes agardar do PP é máis do mesmo. Máis continuismo, máis políticas de direitas e máis españolismo. No caso de Podemos, tampouco seguín moito os debates congresuais, mireino todo con bastante distancia, mais desde fóra o que parece é que algo que se nos vendeu como moi novidoso, como moi anti-político, no sentido do que eran os vellos esquemas de funcionamento e as dialécticas internas das organizacións políticas, pois ao final... ben, creo que se viu que na súa práctica concreta e real non son moi diferentes a algúns dos ticks da máis vella e da máis rancia política. As fotografías son, de arriba a abaixo, do BNG e de X.M. Nota de Sermos: Entrevistamos tamén Rubén Cela no número 234 do semanario, desta volta na súa condición de portavoz do grupo municipal do BNG en Compostela. A conversa debrúzase sobre o acordo alcanzado na negociación orzamental con Compostela Aberta. No interior deste texto aparece a reprodución en miniatura dunha entrevista que poderás ler no noso semanario, disponíbel nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa. |
NOS_18371 | "O problema non é a falta de vivenda, senón as precarias condicións laborais do persoal, a non cobertura de ausencias e a falla de previsión e xestión", sinala o colectivo, que pon o foco en que as carencias da Primaria no municipio afectan "todo o ano" e non só na tempada de verán. | O Concello de Sanxenxo anunciou esta cuarta feira que asumirá o alugueiro de catro vivendas no municipio durante os meses de verán para acoller profesionais médicos que veñan de fóra da Galiza a reforzar o cadro de persoal, nun período, o estival, no que o turismo dispara a ocupación e, en consecuencia, tamén o centro de saúde. "Todos coñecemos o déficit de médicos en Atención Primaria e o que se busca é atraer profesionais médicos de fóra da Galiza", dixo o xerente do Sergas, José Flores, que asinou o convenio co rexedor de Sanxenxo, Telmo Martín. Mais as eivas no servizo sanitario deste concello, "e da Galiza por extensión", non se "resolverán" con esta medida, advirte esta quinta feira, en resposta ao Sergas e o Goberno local, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo: "O problema non é a falta de vivenda, senón as precarias condicións laborais do persoal, a non cobertura de ausencias e a falla de previsión e xestión". Este colectivo cualifican o anuncio de "mofa" e "trato discriminatorio" para o persoal que traballa nos centros de saúde do municipio todo o ano. "É un claro intento populista de ocultar os problemas de fondo que sofre a sanidade pública en toda a Galiza", subliñan. Veciñanza de Sanxenxo alerta da falta de persoal sanitario malia o incremento poboacional do estío Falta de persoal e contratos "precarios" "Este mesmo ano pasado, as ausencias de persoal por baixas e vacacións non foron cubertas. No caso concreto do consultorio de Vilalonga as persoas usuarias chegaron a quedar sen atención en varias ocasións ao non ter sido cubertas as ausencias do persoal", engaden. A meirande parte dos contratos, lamentan, son "interinos e por horas, días, semanas ou, con sorte, meses". E, "despois de tal trato, ou máis ben maltrato", apuntan desde a plataforma, os facultativos "encóntranse con que a súa xestión levou a que o persoal marchase do país e non quede apenas xente para traballar nas condicións precarias que ofrecen". Arranxar a "penosa" situación que atravesa a Primaria, insisten, "pasa por investir" neste servizo, "dimensionando axeitadamente os centros de saúde de acordo ás necesidades da poboación". |
NOS_28589 | O terremoto, de 7,9 graos de magnitude, provocou avalanchas en zonas do Everest e graves danos na capital e no noroeste do país asiático. [Vídeo e imaxes no interior] | Nepal espertou este sábado cun forte terremoto, de 7,9 graos de magnitude na escala de Richter. O sismo deixou centos de persoas mortas e feridas e rexistrou até doce réplicas, provocando a caída de numerosos edificios e importantes danos na capital Katmandú e no noroeste do país, epicentro do tremor de terra. Segundo datos do ministro de Interior nepalí, a cifra de vítimas mortais superaría as 800 persoas, entre as que habería numerosas menores. Por centos cóntanse tamén o número de feridas, que colapsan nestes momentos o principal hospital de Nepal, apuntan fontes de Reuters. Milleiros de habitantes botáronse á rúa presas do pánico. Terrible #earthquake in #Nepal. Many killed. Roads are blocked already pic.twitter.com/YymqzltfpB— Anurag saxena (@saaxenanurag) 25 abril 2015 O sismo derrubou decenas de construcións e vivendas, con especial incidencia na capital, e abriu fendas no pavimento. Edificios como a Torre Bhimsen (na imaxe da dereita), un emblemático monumento do século XIX reconstruído por mor doutro terremoto, ou a céntrica Praza Durbar, están "nun estado irrecoñecible", apuntan fontes da axencia internacional. O tremor provocou tamén fortes avalanchas no monte Everest, sepultando campamentos e deixando polo momento oito montañeiros e montañeiras mortas e decenas de feridas. Segundo dous alpinistas españois presentes na zona, que resultaron ilesos, a situación é de "caos" polas dificultades para acceder á zona montañosa. En países veciños como India e Paquistán, o terremoto e as conseguintes réplicas sentíronse con virulencia, informan medios locais. |
NOS_47290 | O BNG vaticina que as contas van "hipotecar" a cidade e que deixan á marxe emprego e servizos públicos. | O pacto orzamentario entre o goberno local de Vigo (PSOE) e PP escenificouse esta segunda feira no Pleno municipal. Ambas as dúas formacións deron o visto bon a unhas contas para 2014 que foron negociadas nestas últimas semanas nun ambiente que, tanto socialistas como populares, cualificaban de "camaradexe" e de "sintonía". Con estes vimbios, o principio de acordo para aprobar os orzamentos vigueses foron para o alcalde, Abel Caballero, un sinal de que tería tranquilidade até final de mandato. Tranquilidade no que se refire ao PP, porque desde o BNG xa se cualificaron estas contas como unha "hipoteca" para a cidade. A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, manifestou hai uns días que o pacto orzamentario acadado entre o goberno local e o Partido Popular "condena a Vigo a sofrer as políticas do PP logo de que Abel Caballero as asumise vendendo a cidade por uns orzamentos". O pacto "afonda no reparto inxusto dos recursos públicos, quitándollos a quen máis os precisa mentres se lle baixan os impostos a quen máis ten". "Inviábel" Iolanda Veloso lamenta que que o papel de motor económico que debería xogar Vigo na súa área de influencia "resulta inviábel logo de que o PP e o PSOE dediquen os seus orzamentos a usos partidistas, electoralistas e improdutivos". No debate, a tenente alcalde socialista, Carmela Silva, criticou a portavoz do BNG por pasar fins de semana "nunha cidade do norte". Aseveración que deixou pampos a non poucos dos presentes. |
NOS_40381 | O presidente anuncia 5 leis e 50 medidas contra unha corrupción que estende a "todos os partidos", aos que empraza a pedir desculpas á cidadanía. O BNG cualifica de "fume" as propostas e pide compromisos firmes, AGE di que a comparecencia foi "unha chirigota" e PSdeG pide "que non dea leccións". | Nin unha palabra sobre a Operación Zeta, Pokemon, Orquestra, Campión ou a trama galega da Gürtel. A comparecencia de Núñez Feijóo esta terza feira no pleno extraordinario do Parlamento galego para falar sobre a corrupción deixou o anuncio de 5 leis e 50 medidas a aprobar nos vindeiros meses para combater un fenómeno "focalizado" e que atinxe igualmente a todos os partidos, segundo Feijóo. Nin unha mención aos casos ou procesos que pairan sobre o partido que preside en Galiza e que mesmo pairan sobre altos cargos do seu goberno. Para o presidente, "os corruptos poden actuar en todos os partidos mais non son de ningún partido". Optaba así por diluír a corrupción como un 'mal' implícito en todas as formacións. En palabras de Francisco Jorquera, portavoz parlamentar do BNG, "fala da corrupción en abstracto para non ter que falar a corrupción en concreto que salfire o seu partido". Feijóo -que na súa intervención mencionou a Kant, Adolfo Suárez e Fernández Albor- pediu a todos os partidos que "fagan exame de conciencia" e que "pidan desculpas" perante a cidadanía. Xogou a baza de se situar por riba de todas as formacións desde un posto 'institucional' co que facer recomendacións e dar consellos a todos. "A xente non nos pide apagar o lume focalizado da corrupción irrigando gasolina", afirmou. Leis de participación cidadá, de transparencia, de financiamento de partidos... unha a unha foi debullando anuncios e promesas Núñez Feijóo perante unha oposición á que instou a "chegar a acordos". Unha oposición que xa desde os días previos denunciou e criticou que o formato do debate estivese trucado para convertelo nun simple "mitin" onde os deputados ían ser meros "figurantes" Francisco Jorquera: "Hai unha corrupción sistémica" O portavoz parlamentar do BNG considera que os anuncios feitos por Feijóo na súa comparecencia son "fume". Francisco Jorquera emprazou o presidente a "predicar menos" e "practicar máis" na loita contra a corrupción, tema sobre o que de Feijóo "non se pode esperar unha mala palabra, mais tampouco unha boa obra". Puxo sobre a mesa o nacionalista cuestións espiñentas para Feijóo como "as amizades perigosas" do 'conseguidor' Pachi Lucas e o narco-traficante Marcial Dorado. O portavoz do BNG enumerou unha serie de "propostas concretas" do BNG para combater a corrupción -30 propostas que entregou a Feijóo e á presidenta do Parlamento finalizada a súa quenda-. Desde eliminar as 'portas xiratorias' até eliminar contratacións públicas sen procedemento de publicidade. Jorquera alertou da "corrupción sistémica" que aniña nun modelo que favorece privatizacións e tráfico de influencias. Xosé M. Beiras: "Váiase, señor Núñez" "Se lle queda pulo democrático, váiase señor Núñez". Xosé Manuel Beiras emprazou o presidente galego a marchar do seu posto botando man da frase que no seu momento un Aznar na oposición lle dirixira a Felipe González, presidente español. O portavoz de AGE considera que a comparecencia de Feijóo foi "unha chirigota" e mostrou o seu malestar polo feito de que este "se erixa en árbitro da ética democrática" cando o PP está "corrupto". Beiras, que afirmou que asumía "totalmente a intervención do portavoz parlamentar do BNG", acusou a Feijóo de vir ao Parlamento "a mexar por nós" e dixo que era "indigno de ocupar o posto" de presidente galego. E falou de Grecia. Fíxoo para dicir que "alí empezou a se mover algo. Xa verán o que lles pasa". Sobre as medidas e leis propostas por Feijóo, o portavoz de AGE chegou a afirmar que "como vostede -en referencia a Feijóo- sabe que non vai gobernar, quere deixar aos que veñan os controis democráticos aos que vostedes non quixeron someterse". Méndez Romeu: "Preocúpame que non queira asumir compromisos" O portavoz parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, considera que Núñez Feijóo "non está lexitimado para dar leccións" en materia de loita contra a corrupción, pois "os feitos cuestionan as súas palabras". O socialista lamentou que o presidente "non asuma compromisos máis firmes" e mesmo chamou "á necesaria moralización da vida política". Grupo Mixto As deputadas do grupo mixto cargaron contra o presidente da Xunta por considerar que "ninguén lle cre, nin a vostede nin o seu impulso democrático" (Carme Iglesias); e por "para falar de transparencia deben comezar por expulsar os corruptos do PP" (Chelo Martínez). |
NOS_54729 | A expectación do partido do Deportivo contra o Espanyol non estará só no campo. As miradas dirixiranse cara ás bancadas onde se agarda que luzan estreleiras en resposta ao veto que @s siareir@s padeceron en diversos campos, o máis recente en Valladolid. "A Riazor, coa bandeira galega" é o lema da convocatoria que apoian, entre outros, o BNG e Galiza Nova. | A campaña, que se moveu a través das redes, anima a asistir ao partido do Deportivo contra o Espanyol que terá lugar este domingo en Riazor (17 h) con bandeiras galegas coa estrela. A convocatoria nace da resposta ao que aconteceu no campo do Valladolid onde as bandeiras foron requisadas polas forzas de seguridade do Estado como relataron vari@s seareir@s a Sermos Galiza. Bandeiras confiscadas e presión das forzas de seguridade con retencións e ameazas caldearon o ambiente e animaron a promover unha campaña de reivindicación da visibilidade da estreleira nos partidos das equipas galegas. A chamada ao uso da bandeira en Riazor nace despois dunha tempada na que o de Valladolid é o último dunha serie de episodios c@s adept@s das escadras galeg@s a padeceren presións para retiraren os símbolos nacionais. No campo de Valladolid luciron as bandeiras españolas -mesmo preconstitucionais- sen que en ningún momento fosen retiradas. A incautación das estreleiras en Valladolid levou ao BNG a apresentar unha iniciativa no Parlamento español BNG e Galiza Nova fixeron chamamentos para secundar a convocatoria e acudiren a Riazor coa bandeira galega no encontro face o Espanyol, chave para a permanencia da equipa galega na Primeira División. |
QUEPASA_540 | Todas as actividades arredor do Día Internacional da Violencia de Xénero. | Escapartes tinguidos de negro, distribución de material, obradoiros, teatro e unha marcha son algunhas das actividades programadas polo Concello de Zas para estes días co gallo do Día Internacional da Violencia de Xénero e no marco da campaña campaña "En Negro contra as violencias". As actividades xa se puxeron en marcha o pasado luns, 18 de novembro, cunha acción que ten ao comercio local como protagonista. En total son máis de 100 establecementos comerciais e locais de hostalería os que sumaron a esta iniciativa tinguindo de negro os seus escaparates e enchéndoos de carteis que conteñen mensaxes de sensibilización. Para iso, persoal do Concello de Zas repartiu en días pasado diverso material (mandís, salvamanteis, camisetas e carteis) entre os establecementos e entidades participantes. Tamén participa na campaña o alumnado das diferentes actividades municipais que a través de talleres, conversas, fotos, pequenas representacións,… abordan durante estes días este tema. Marcha e lectura do manifesto Unha marcha e a posterior lectura do manifesto será outra das actividades que se leven a cabo no marco desta campaña e que se desenvolverán o vindeiro luns, 25 de novembro, coincidindo co día internacional da eliminación da violencia contra muller. A saída será ás 11:30 horas dende a Praza do Concello á que regresaremos ás 12:00 horas para a lectura do manifesto. A comunidade educativa é outro dos axentes sociais cos que traballaremos ao longo destes días con actividades en cada un dos tres centros educativos do noso municipio. A primeira delas será o vindeiro martes, 26 de novembro, da man da compañía "Teatro Inconformista" que representará ás 12:45 horas o seu espectáculo "Chola It a Girl" dirixido ao alumnado do IES Maximino Romero de Lema. E xa ao día seguinte, o 27 de novembro, realizaremos cos alumnos e alumnas de educación primaria o obradoiro de xogos e máscaras "Eu son cabaleiro, princesa ou dragón?". Esta actividade realizarase entre as 09:30 e as 11:00 horas no CEIP Labarta Pose mentras que no CPI de Zas haberá dúas quendas (unha de 12:45 a 14:00 horas e outra de 12:20 a 15:55 horas). |
PRAZA_5872 | O Tribunal de Cuentas certifica que a Xunta é o terceiro goberno autonómico con maior porcentaxe de dependentes con prestación concedida pero que aínda non a reciben. O atraso galego supera en 11 puntos a media estatal. | Unha "aplicación efectiva da Lei de Dependencia". Unha redución "en dous terzos do tempo de tramitación" para "compatibilizar a atención ás persoas máis castigadas cun uso racional dos recursos". "Vamos blindar os servizos públicos; na educación, máis educación; en sanidade, máis asanidade, en servizos sociais, máis servizos sociais; en dependencia, máis dependencia". Son algunhas das frases máis repetidas dende o Goberno galego a respecto da súa aposta pola atención ás persosa dependentes, palabras que, no caso do presidente da Xunta, adoitan vir acompañadas cunha comparación coas demais autonomías na que, a xuízo do Executivo, Galicia sae gañando. Fronte a este optimismo oficial o Tribunal de Cuentas vén de facer público o seu informe de fiscalización sobre o control da Lei da Dependencia e revela, entre outros datos, que Galicia ocupa un posto nun podio nada honroso: o das persoas dependentes sen atender. Segundo o organismo fiscalizador con data de 31 de decembro de 2013 había en Galicia, segundo datos da propia Xunta, un total de 56.835 persoas que xa recibiran cadanseu ditame favorable para accederen a unha prestación derivada da Lei de Dependencia, xa sexa económica ou de servizo -unha praza nunha residencia ou nun centro de día, por exemplo-. Destas, máis de 18.000 permanecían no que se dá en chamar "limbo da dependencia". Así as cousas, máis do 31% das persoas dependentes cuxa necesidade está acreditada están a agardar por que a Consellería de Benestar realice a devandita "aplicación efectiva" da lei. A finais de 2013 estaban a agardar máis de 18.000 persoas dependentes As táboas comparativas incluídas no informe de Cuentas revelan que, no momento da elaboración desta fiscalización, ese 31% situaba a Galicia como a terceira comunidade con maior porcentaxe de dependentes sen atender, por tras de Canarias (52,74%) e a Región de Murcia (39,27%). Non obstante, o resultado galego é peor. O goberno rexional murciano, informa Cuentas, ten "suspendida" a incorporación de datos ás bases estatais e na fase de alegacións informou de que non lle corresponde o 39,27%, senón que ten agardando o "20% das persoas dependentes con dereito a prestación". Isto implicaría que a Xunta é o goberno autonómico co segundo peor resultado. Tras as alegacións de Murcia o resultado galego é o segundo peor do Estado Esta preocupante radiografía é o lado escuro doutras cifras habitualmente máis publicitadas, os prazos medios de recoñecemento da prestación, isto é, o tempo transcorrido dende que unha persoa solicita a axuda e a Xunta lle responde que ten dereito a ela. Neste caso Galicia está nos postos de cabeza xa que, con 90 días de media, só unha autonomía, La Rioja, responde máis rapidamente -faino en 86 días de media-. Ademais, segundo recolle o Tribunal de Cuentas, tomando como mostra o primeiro cuadrimestre de 2013 unicamente foron tramitados fóra de prazo 7 de expedientes, cun atraso de 45 días sobre os 6 meses que marca a normativa vixente. O financiamento Os recursos propios da Xunta para financiar a dependencia son o 27% do total A fiscalización do Tribunal de Cuentas detense tamén no financiamento da atención á dependencia nos diferentes territorios do Estado e contrasta, tamén neste punto, con algúns argumentarios oficiais. O tribunal aprecia "unha gran disparidade entre as comunidades autónomas" no que atinxe ao "peso relativo das achegas no financiamento da dependencia". Así, por exemplo, as autonomías que "maiores recursos propios destinan á dependencia" son Madrid, Extremadura e Castilla La Mancha, "atopándose no caso contrario Andalucía, Galicia e a Región de Murcia". Do mesmo xeito, especifica, "as autonomías que maiores recursos propios destinan á dependencia e cuxa orixe non procede de fondos transferidos polo Estado son Madrid, Extremadura e Castilla-La Mancha". Galicia, di, está "no outro extremo". Tomando neste caso como como referencia o exercicio económico do ano 2012 Cuentas explica que, dos máis de 300 millóns de euros que supuxo a Lei de Dependencia en Galicia, o 25,73% chegou dende o IMSERSO e o 46,79%, dos recursos adicionais inxectados polo Estado en función da lei 22/2009. Os recursos da autonomía, neste caso, pesan só un 27,48% que contrasta, por exemplo, co 73% de Madrid, o 63% de Extremadura ou o 60% de Castilla-La Mancha. As achegas de recursos propios por parte das autonomías está ligadas, en maior ou menor medida, coa imposición de copagamentos. No caso galego as taxas ás que teñen que facer fronte as persoas usuarias do sistema de atención á dependencia afectan, esencialmente, a "servizos residenciais e de atención diurna ou nocturna, servizos de atención a domicilio e teleasistencia". De novo tomando como referencia 2012 a Xunta ingresou uns 12 millóns de euros por estes copagamentos. |
NOS_31328 | Durante a súa comparecencia, Román Rodríguez fixo referencia a varios fitos históricos como a conquista de América, a creación do Estado liberal, as monarquías dos Austrias e dos Reis Católicos, entre outros, mais obviou a realidade da Galiza. | A Xunta anunciou nesta sexta feira que reforzará os contidos humanísticos nos currículos educativos coa incorporación da Historia de España anterior a 1812 no Bacharelato, mais non fai ningunha referencia a contidos da Historia da Galiza. Na súa intervención no Parlamento galego, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, defendeu a importancia da formación humanística, que é fundamental na responsabilidade de "formar cidadáns libres, críticos e con capacidade analítica". Durante a súa comparecencia, Rodríguez fixo referencia a varios fitos históricos como a conquista de América, a creación do Estado liberal ou as monarquías dos Austrias e dos Reis Católicos, entre outros. Porén, decidiu obviar fitos relacionados coa historia galega e renunciou a remediar a falta de coñecemento que impera en relación ao Reino da Galiza e ao seu esplendor na Idade Media. Reparto de contidos nos currículos O reparto de contidos nos currículos educativos está dividido da seguinte maneira: unha primeira parte de contidos mínimos está rexida por Real Decreto, polo que é a Administración estatal quen se encarga de decidir cales son eses contidos mínimos. No caso dos contidos de Historia de España, o Goberno do Estado, a través do Ministerio de Educación, optou por complementar as competencias STEM (ciencias, tecnoloxías e matemáticas). A segunda parte dos contidos que integran os curriculos é competencia dos Gobernos de cada autonomía. No caso da Galiza, da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade que encabeza Román Rodríguez. A Xunta non fará emprego desas competencias para impulsar o estudo da Historia da Galiza, xa que o conselleiro de Educación avanzou que o Goberno galego xa traballa para ter listos os contidos que recollan a Historia de España anterior a 1812. |
NOS_7552 | É mentira que a morte se anuncie. Por moito que sexa unha visita esperada, a súa comparecencia sempre golpea coa intensidade do imprevisto, sempre deixa tras de si un pouso de irrealidade. O mundo do teatro sente algo así despois da desaparición de Francisco Pillado Mayor, Pancho Pillado. | En 1965, Francisco Pillado Mayor e Manuel Lourenzo decidiron formar a compañía O Facho e representar, malia todos os impedimentos que puña a ditadura, unha obra en galego. Ambos os dous estaban convencidos de que o teatro do noso país se reducía a Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, e A fiestra valdeira, de Dieste. Era impensábel pedirlle á censura que permitise unha representación da primeira ("eramos novos pero non idiotas", dicía) e, por razóns técnicas, tampouco podían poñer en escena a segunda, así que decidiron facer un remexido con poemas de Luís Pimentel e de Rosalía de Castro e escenificalo. Por medo a que a policía irrompese no medio da función e os detivese, pedíronlles a algúns vultos do mundo da cultura con certo nome e influencia que acudisen como espectadores, confiando en que a súa presenza evitaría males maiores. Otero Pedrayo, García-Sabell, Juan Rof Carballo, Juan Naya e outros persoeiros da época mostráronse moi interesados, confirmaron a súa asistencia e mesmo difundiron a invitación para, na medida do posíbel, "blindar" aos atrevidos teatreiros. A cousa funcionou ben. En moitos casos desde a sombra -non por falsa modestia, senón por manter a súa independencia-, o traballo de Pillado cambiou a fasquía da escena galega. Mais no transcurso do coloquio que seguiu á representación -eran os anos 60, non había teatro sen coloquio posterior-, un señor maior preguntou por que non representaban ningunha obra dun autor dramático galego. Os mozos, sorprendidos, contestaron que non había obras de teatro escritas en galego. Daquela, aquel señor maior empezou a explicarlles, con paciencia e tacto, o que fora o teatro rexionalista, o das Irmandades da Fala, a Escola Rexional de Declamación, a Escola Dramática Galega, o Conservatorio Nacional de Arte Galega... Aquel señor maior era Leandro Carré Alvarellos e, igual que aqueles mozos, estaba levantando acta dun roubo: o da historia deste país. Nunha entrevista con Xosé Luna Sanmartín, Pillado expresábao así: "o que nos estiveron roubando esta cuadrilla de asasinos que nin sequera nos deixaban representar a Rosalía". Pillado, co seu grave aspecto de patricio romano, contaba con moita frecuencia esta anécdota, e Manuel Lourenzo segue contándoa cada vez que ten ocasión, o que probabelmente delata a profunda pegada que deixou aquel encontro. Se cadra, foi aquela revelación de que se lles furtara o pasado a que está na orixe de tantos volumes en colaboración que estableceron pontes entre o pasado e o presente que estaban tecendo: O teatro galego, Antoloxía do teatro galego, Dicionario do teatro galego... e de todo o traballo de recuperación da memoria teatral que ambos levaron a cabo desde a Escola Dramática Galega, desde os Cadernos do Espectáculo da Compañía Luís Seoane, desde a revista Casahamlet... En moitos casos desde a sombra -non por falsa modestia, senón por manter a súa independencia-, o traballo de Pillado cambiou a fasquía da escena galega. El e Lourenzo inventaron un teatro onde non existía, puxérono ao día a respecto das correntes europeas do seu tempo e, cando descubriron aquelas raíces ocultas, fixeron todo o posíbel para que o seu labor se integrase na corrente da tradición, para que a continuidade non crebase. Agora é o tempo da homenaxe e a lembranza mais, se cadra, a mellor ofrenda que podemos renderlle á súa memoria no futuro sexa evitar que esa corrente se interrompa. |
NOS_54340 | A plataforma 'Por un monte galego con futuro' realizou na tardiña da quinta feira concentracións en distintas localidades galegas para reclamar "políticas estruturais e non parches" ante a vaga de incendios forestais que arrasan a Galiza. | Baixo o lema de 'Lumes nunca máis', en Ourense déronse cita varios centos de persoas para mostrar o seu malestar pola xestión que realiza a Xunta de Galiza ante esta situación. "A ninguén se lle escapa a emerxencia na que estamos, realmente isto non ten parangón histórico", dixo Anxo Pérez, do sindicato CIG, un dos organizadores. "Todos os anos repítese a mesma historia, nunca estivemos tan ameazados, nunca foron tan mal os incendios... pero a verdade é que aquí arden miles de hectáreas cada ano e non se lle pon remedio por parte da Xunta", engadiu. Con esta aseveración, a plataforma critica "a política de sacar froito ao negocio do lume" e "non adoptar medidas estruturais que realmente impidan que sexa un mal endémico" que "acabe con aquilo do que presumimos, a Galiza verde". Aínda que houbo mobilizacións en todo o país, a plataforma considera que as comarcas do sueste neste momento son "o epicentro" porque son as que están a soportar os maiores lumes e en concreto a comarca de Valdeorras, que segundo a cualificación dos organizadores da concentración, "está totalmente devastada". "Hai parques naturais como o do Invernadoiro, en Vilariño de Conso, arrasado totalmente polo lume" e "falamos tamén de vivendas familiares, 80 casas, non abandonadas, de persoas que perderon todo porque o lume arrasou", "non hai medios suficientes para combater isto", lamentou o colectivo. Alcaldías do PP, molestas pola xestión dos incendios É por iso que critican que non se estean facendo cousas tan básicas como pedir a declaración do nivel 3, "que supoñería a participación doutras comunidades autónomas e dos mecanismos de protección civil da Unión Europea". "Nós o que expomos é partir da declaración de zona catastrófica", dixeron. Neste mesmo sentido, piden "accións inmediatas" nas zonas queimadas para evitar a erosión futura, porque agora fálase do que se perdeu polo lume pero o chan queda erosionado e temen que coas choivas "reconducir e replantar sexa totalmente imposíbel". "Pedimos políticas estruturais, non pedimos remedios e parches que é ao que nos teñen afeitos. Galiza é unha potencia en extinción de incendios, posibelmente temos o mellor sistema do Estado español, pero non somos ninguén en prevención", lamentan. Nesta mesma liña, apuntan que "o lume apágase no inverno e non no verán e aí non se está facendo nada". Por iso, a plataforma solicita tamén organización civil, porque, do mesmo modo que facía esta semana a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Adega, falan dun 'Prestige interior' que necesita implicación social. Outras concentracións As concentracións convocadas pola plataforma repetíronse tamén noutros municipios. Así, en Santiago de Compostela, ás 20 horas, fronte ás dependencias da Xunta en San Caetano, concentráronse varios centos de persoas, entre elas o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que estaba á fronte da pancarta. Así mesmo, tamén estiveron presentes formacións políticas como o BNG, a través do deputado Xosé Luís Rivas 'Mini' e a súa portavoz municipal, Goretti Sanmartín; e Compostela Aberta, tamén coa súa portavoz local, Marta Lois. Ancala Partners, socio de Ence, adquire concesións para a xestión de incendios na Galiza en plena vaga de lumes Antes da lectura do manifesto, as persoas participantes corearon diversas proclamas contra a política forestal da Consellaría do Medio Rural tales como 'Goberno que improvisa é o terrorista', 'Coa Xunta do PP non queda monte en pé', 'Ordena Ence, PP obedece' e 'Galiza arde, Rueda responsábel'. Mentres tanto, en Pontevedra, tamén varios centos de persoas, entre elas representantes da Asociación pola Defensa da Ría (APDR), participaron na protesta e coreado lemas como 'Lumes Forestais, nunca máis' e 'Eucalipto plantado, país esnaquizado', así como referencias á fábrica de ENCE. |
PRAZA_5075 | A força do terror é tal que a carne não aparece. E os mortos convertem-se só em fragmentos de memória. Familiares e descendentes quiseram enterrá-los, com essa necessidade primigénia dos humanos, mas não sabem o que poderiam enterrar, nem onde. Não têm nada que enterrar. Os estados só lhes concedem estilhaços de passado | Participaram no complô cidadãos e cidadãs normais, pessoas das que se vêem na rua cada dia, infiltradas na cidade. A imensa maioria, de facto, tinham boletins de identidade do país, não eram estrangeiras Foi tão brutal o atentado que muitos corpos nunca apareceram. As explosões sucederam-se durante muito tempo. Participaram no complô cidadãos e cidadãs normais, pessoas das que se vêem na rua cada dia, infiltradas na cidade. A imensa maioria, de facto, tinham boletins de identidade do país, não eram estrangeiras. Organizavam-se em células pequenas, amiúde amparadas nos templos que durante anos alimentaram o ódio e uma visão messiânica da fé, da raça, da identidade, das missões de conquista e reconquista. Com efeito, toda a história de séculos dessa cultura religiosa consistira na expansão imperial e homicida, no extermínio do diferente. Não admira que nalguma altura do presente, na modernidade, uns poucos decidiram lançar um fanático ataque baseado no mesmo ideário de que, no fundo, muitos outros seriam cúmplices. Quando na História estoura uma bomba poderosa a energia é tal que o sangue se pulveriza e já nunca mais se encontra. Nunca mais se vê nos muros, nos caminhos de ferro, nas barrancas. A força do terror é tal que a carne não aparece. E os mortos convertem-se só em fragmentos de memória. Familiares e descendentes quiseram enterrá-los, com essa necessidade primigénia dos humanos, mas não sabem o que poderiam enterrar, nem onde. Não têm nada que enterrar. Os estados só lhes concedem estilhaços de passado. Permitem que os seus nomes sejam repetidos, na intimidade dos aniversários, nos papéis que ninguém lê, mas não que a sua humanidade seja reconstruída. Familiares e descendentes quiseram enterrá-los, com essa necessidade primigénia dos humanos, mas não sabem o que poderiam enterrar, nem onde. Não têm nada que enterrar. Os estados só lhes concedem estilhaços de passado Esse brutal atentado terrorista aconteceu há anos na Espanha, e ainda continua. Teve tanto sucesso para impor o império dos deuses (dos deuses religiosos, dos deuses ateus, dos deuses militares, de todos os monstros superiores à firmeza incontestável dum abraço) que foi imitado repetidamente, em numerosas terras, da Polónia até ao Vietname, de Jeju a Al-Andalus, do Iraque a Chile ou Sarajevo. E todas essas loucuras foram eficazes cópias do princípio do terror, cujo objetivo não é apenas matar mas fazer desaparecer os corpos sacrificados no mar, nas fotografias amarelas, nos obituários dum pequeno jornal local, nas derradeiras cartas à família no alvor da cela, nas silenciadas beiras dos caminhos onde repousam ainda hoje, ainda hoje, milhares de Vítimas do Terrorismo, cinicamente ocultas polos mesmos mensageiros do ódio que proclamam condená-lo. |
PRAZA_15152 | Case o 18% dos traballadores de Galicia teñen un salario inferior aos 1.008 euros, segundo os datos feitos públicos polo INE. | Case o 30% (o 29,4%) dos asalariados galegos cobra menos de 1.218,2 euros brutos mensuais, segundo os resultados sobre salarios feitos públicos este mércores polo INE a través da Enquisa de Poboación Activa 2011. O 8,8% dos cidadáns de Galicia perciben uns ingresos por baixo dos 687,1 euros, o 8,9% sitúase entre esta cantidade e os 1.008,6 euros, mentres que o 11,7% supera esta contía, pero mantense tamén por baixo dos 1.218,2 euros. O 17,7% dos asalariados galegos cobran un soldo inferior aos 1.008,6 euros Xa que logo, o 17,7% dos asalariados galegos cobran un soldo inferior aos 1.008,6 euros mensuais, mentres que o 27,1% ten un salario que supera os 2.071,8 euros, de acordo cos resultados que acaban de saír á luz. Agrupando o tres tramos máis baixos (nos que se atopa o 29,4% dos asalariados galegos), Galicia sitúase como a sétima comunidade cunha porcentaxe máis alta de traballadores na franxa inferior. Pola contra, se se teñen en conta os tramos máis altos, Galicia ocupa o sétimo lugar entre as comunidades con menos traballadores na franxa superior. No conxunto do Estado, case o 62% dos mozos cobra menos duns 1.220 euros Respecto do conxunto do Estado, os datos do INE amosan que o 46% dos asalariados menores de 25 anos perciben un salario mensual bruto de entre 687,1 e 1.008,6 euros. En concreto, un de cada catro mozos menores de 25 anos gaña menos de 687,1 euros mensuais, mentres que o 20,7% cobra entre 687,1 e 1.008,6 euros ao mes. Pola súa banda, o 15,5% percibe entre 1.008,6 euros e 1.218,2 euros mensuais. Sumando estas porcentaxes obtense que o 61,5% dos menores de 25 anos atópase nos tramos salariais máis baixos (de 687 a 1.218,2 euros mensuais). No tramo medio (de 1.218,2 a 2.071,8 euros mensuais) atópanse pouco máis do 23% dos mozos, mentres que na franxa salarial máis alta (de 2.071,8 euros a 3.280 euros ou máis) apenas o 5,4% dos menores de 25 anos. A enquisa do INE revela tamén que o 30% dos asalariados españois recibiu en 2011 un salario mensual bruto superior a 2.071,8 euros, é dicir, dentro do tramo máis alto de soldos. A mesma porcentaxe gañaba menos de 1.218,2 euros mensuais (tramo baixo), mentres que catro de cada dez situábanse na banda salarial media (de 1.218 a 2.071 euros). Ademais, o 12,4% percibe entre 1.218,2 e 1.386,6 euros; o 11,5% ingresa entre 1.386,6 e 1.563,2 euros; o 10,6% está entre os 1.563,2 e os 1.774,4 euros; o 9,2%, entre 1.774,4 e 2.071,8 euros; o 9,1%, entre 2.071,8 e 2.513,7 euros; o 9,9% supera esta última cantidade, pero non os 3.280,2 euros; e o 8,1% restante está por encima de 3.280,2 euros. Discriminación feminina En toda España, por sexos, as mulleres presentan unha maior concentración relativa en salarios baixos que os homes, tanto se traballan a tempo completo coma se o fan a tempo parcial. En concreto, o 43,2% das mulleres teñen un salario inferior a 1.218 euros, fronte ao 18,3% dos homes. Segundo o INE, o menor nivel salarial das mulleres explícase pola súa maior presenza en actividades pouco remuneradas e por ter unha maior proporción de contratos temporais e a tempo parcial. |
NOS_26800 | Percorrido polas especies en perigo de extinción na Galiza, falamos das mil fontes do libro galego... todo isto e máis xa, neste número | O suplemento semanal Sermos Galiza chega aos quiosques este sábado co Nós Diario. Xuntos suman 64 páxinas de xornalismo en galego, 32 do xornal e 32 dun suplemento que todos os sábados acompaña o diario. O Sermos dedica a súa portada a unha ampla reportaxe sobre a biodiversidade galega ameazada. Moitas especies que hoxe existen, mañá poderían non facelo. A perda da biodiversidade é outra das grandes amezas que en materia ecolóxica afronta o planeta, con especial impacto a nivel local. As causas da diminución das poboacións son case sempre a acción humana, a través de diferentes manifestacións, especialmente co incremento da temperatura global. Ofrecemos un repaso dalgunhas destas especies en perigo de extinción na Galiza, que, de seguirmos a tendencia actual, poderían converterse axiña en pouco máis que carne de lembranza. A Asociación Galega de Editoras (AGE) leva desde 1983 loitando pola defensa dos intereses do sector do libro galego, que hoxe se atopa nunha encrucillada logo da importante reestruturación vivida na última década. Nós Diario abre as portas da súa redacción aos representantes escollidos por AGE para protagonizar a primeira entrega das 'Conversas entre Nós', sección na que se analizará a poliédrica realidade da sociedade galega por boca dos seus protagonistas. Nesta ocasión, Xosé Ballesteros (presidente de AGE), Xoán Costa (Nós Diario), Henrique Alvarellos (Alvarellos Editora) e Fran Alonso (Xerais). Todo isto e máis,xa neste número, que podes adquirir xa nos quioscos ou ben para ler na nube. |
NOS_52329 | Peleteiro, Toimil, Gil e Ben suben ao máis alto do podio | Un total de seis medallas, 19 postos de finalistas e tres récords é o extraordinario balance das atletas galegas que participaron en Xetafe no Campionato de España Absoluto de Atletismo. Os metais chegaron na súa maior parte da man dunhas mulleres que están a revolucionar as súas respectivas disciplinas: Leticia Gil, Belén Toimil e Ana Peleteiro. A primeira foi quen de voar até os 6,69 metros, pulverizando o récord galego de salto de lonxitude e superando Fátima Diame, a gran favorita, na loita pola medalla de ouro. Pola súa banda, Belén Toimil deixou constancia desde o primeiro intento da súa enorme superioridade, xa que lanzou a bóla até 18,52, conseguindo así a mellor marca española de aire libre de todos os tempos. O seu liderado nesta disciplina é tan indiscutíbel que avantaxou en máis de dous metros á segunda clasificada, a murciana Úrsula Ruíz, que só foi quen de alcanzar os 16,31. E con respecto a Ana Peleteiro, esta tomaba parte neste campionato como un test previo aos xogos de Tokio. A de Riveira, moi centrada, saltou moi ben nun concurso moi regular no que tivo que agardar até o sexto intento para alcanzar a súa mellor versión, momento no que chegou até os 14,61 metros, cifra que representa a súa Mellor Marca Persoal (MMP) e un novo récord dos campionatos. Ademais, e aínda que non puido gañar, a lanzadora de xavelina Menchu Sánchez foi quen de superar con nota a difícil tarefa de substituír á lesionada Lidia Parada, pois no seu primeiro e único intento válido lanzaba até uns 47,81 metros que lle fixeron merecedora da medalla de bronce. Adrián Ben, un ouro que sabe a Xogos Olímpicos Non só as mulleres trouxeron alegría á afección galega nos campionatos de España disputados en Xetafe, pois o cuarto e último ouro conseguiuno un home, concretamente Adrián Ben nos 800 metros lisos. O mediofondista lucense chegaba á proba nun gran momento de forma e co obxectivo de certificar a súa presenza olímpica en Toquio, facendo bos os prognósticos de máximo aspirante ao título co seu tempo de 1.47.07, co que lograba ambos as súas metas. Tamén o veterano Jean Marie Okutu demostrou que continúa a un excelente nivel, pois o olímpico e seis veces campión de España ao aire libre volveu deixar constancia da súa enorme calidade e excelente regularidade, logrando cun salto de 7,74 metros un bronce que ben puido ser un ouro, pois no seu primeiro intento superou a barreira dos oito metros, mais declarárono nulo por moi pouco. E se ben non puideron regresar de Madrid cunha medalla, moitas outras atletas galegas ofreceron un excelente rendemento no Estatal. É o caso do plusmarquista galego dos 100 metros lisos, Mauro Triana, quen cun tempo de 10,50 segundos clasificou para a gran final, finalizando en sétimo lugar. Adi Iglesias estabeleceu un novo récord galego dos 100 metros lisos con 11,83, desbancando a Ana Peleteiro e confirmando así o seu favoritismo nos inminentes Xogos Paralímpicos de Toquio 2021. Nos 800 metros, Pedro Osorio entrou nunha final da que quedou ás portas Elian Numa, facendo o propio Laura Santos na proba raíña dos 1.500 metros. Iso sen esquecer a sexta posición de Isaac Vicente en lanzamento de martelo, o sétimo de Alba Cuns no triplo salto ou a novena de Chamosa en marcha. |
PRAZA_13480 | Máis dun cento de persoas concentráronse diante da sede de NGB na Coruña, esixindo que se adopte xa "unha solución política" e que, ao igual que outras entidades, as súas participacións se transformen en depósitos a prazo fixo. Anuncian a creación dunha plataforma na cidade. Audio no interior. | Milleiros de persoas participaron este sábado nas concentracións convocadas en toda España diante de entidades bancarias en protesta pola estafa realizada a través da venda sen información de produtos financeiros de alto risco -participacións preferentes- e esixindo unha "solución política", dende o Goberno e o FROB, para as centos de milleiros que se calcula pode haber en todo o Estado (só en Galicia, ao redor de cen mil). Na Coruña, máis dun cento de persoas concentráronse diante da sede de Novagalicia Banco, nunha ruidosa manifestación na que dirixiron as súas críticas contra os xestores de Caixa Galicia e Caixa Nova e contra os actuais directivos do Banco, así coma contra Alberto Núñez Feijoo. "A moitos non nos explicaron o que nos estaban vendendo, pensabamos que era un depósito a tres anos, e cando aos tres anos fomos retirar os cartos dixéronnos que era un produto que tiñamos que vender. Queremos a devolución do noso diñeiro porque fomos enganados", explicaba María, unha das afectadas As vítimas da estafa das preferentes na Coruña anuncian a creación dunha plataforma que informe e coordine os e as afectadas na cidade e na comarca. "Queremos facer un chamamento aos cidadáns da Coruña e da súa comarca, que saia á rúa, que protesten", dixo. "Hai moita xente que non o sabe que foi estafada, e hai outra moita que si o sabe, que ten preferentes, e vai preguntar á sucursal e dinlles que isto se va amañar o mes que vén, ou que no verán poderán ter acceso aos seus cartos. Isto non é verdade", afirma María, que anuncia que "os afectados da Coruña imos ir sucursal por sucursal informando á xente que se atopa alí e a solicitar que nos devolvan os nosos cartos". "Hai moita xente que non o sabe que foi estafada, e hai outra moita que si o sabe, que ten preferentes, e vai preguntar á sucursal e dinlles que isto se va amañar o mes que vén, ou que no verán poderán ter acceso aos seus cartos. Isto non é verdade" O que se demanda nesta e noutras concentración é, fundamentalmente, unha solución política, global, sobre todo naquelas entidades coma NGB que foron nacionalizadas e que na actualidade pertencen ao Estado a través do FROB: "o goberno tennos que dar solución, é a única maneira posible de conseguila. Este banco pertence ao FROB, polo tanto é do Estado, e polo tanto queremos unha solución política". Os afectados galegos din que xa que se está ofertando unha solución para Bankia, "nós queremos a mesma solución que se lle dea a eles. O FROB ten a solución na súa man e pódenola dar". Engaden que "non pedimos que nos dean os cartos en efectivo, pedimos o depósito que nos prometeron no seu día, e imos loitar na rúa até que nola dean". Os afectados galegos din que xa que se está ofertando unha solución para Bankia, "nós queremos a mesma solución que se lle dea a eles" Nas últimas semanas estase falando de que os clientes de Bankia afestados poderían recibir a oferta de intercambiar as súas participacións preferentes por bonos ou depósitos a catro ou cinco anos, a un interese do 0 ou do 1 por cento. E outras entidades, como Caja España ou Liberbank, están realizando ofertas semellantes aos seus clientes. Os afectados galego rexeitan a solución de arbitraxe proposta por Núñez Feijoo, e esixen unha solución política antes de setembro: "o tema da arbitraxe non nos interesa, porque a Xunta e NGB van nomear o árbitro, e a súa decisión é irrevogable, non poderíamos acudir a un tribunal. Pero tampouco queremos ir aos tribunais, non queremos colapsar os tribunais galego, queremos unha solución política antes de setembro". |
PRAZA_16619 | Consideramos lexítima que alguén queira preservar incólume a súa ideoloxía como parte da súa biografía e identidade persoal, outra cousa é avalar como proxecto político colectivo, implícita ou explicitamente, o relativismo moral ou o negacionismo respecto de deríva autoritaria e represiva do estalinismo, inaceptable no noso tempo | Como se ve desde o século XXI o acontecemento e o proceso histórico aberto pola Revolución de Outubro? Estamos nunha época radicalmente diferente. Lenin escribiu en 1916 O imperialismo, fase superior do capitalismo, onde os grandes Estados capitalistas disputaban entre eles pola dominación do mundo. Hoxe, a globalización vén ser como a "fase superior" da "fase superior" do capitalismo, onde os vellos Estados-nación tratan todo o máis de sobrevivir fronte aos poderes fácticos globais das finanzas e multinacionais a quen serven, por unha banda, e ás redes sociais que os critican ou ignoran, pola outra. Obviamente, Lenin non o puido prever: a etapa imperialista baseouse no dominio absoluto do Estado e a globalización neoliberal necesita a subordinación dos Estados aos mercados. En certo sentido estamos agora peor que hai un século. Piketty demostrou na súa tese de doutoramento (El Capital en el siglo XXI, 2014) como a partir dos anos 70 foi medrando a desigualdade económica e social, superando co cambio de século á existente antes da crise de 1929, co agravante de que ó presente a poboación mundial e a torta para repartir son moito maiores. Ó que hai que engadir a inesperada crise de 2008 que durou unha década, e outras que poden vir despois, ante a falta de control coa que actúan os mercados financeiros, a inmensa e impagable débeda, o esgotamento das enerxías fósiles ou a crecente economía mergullada. O capitalismo segue provocando as súas propias crises como nos tempos de Marx, que agora unha globalización económica agravan pola súa descomunal capacidade de difusión e amplificación do malo e do bo. Pero non estamos ó final da historia, se non nun novo comezo. O novo século vén a manifestado tamén globalmente unha nova xeración indignada e sentidamente anticapitalista, non tanto por razóns ideolóxicas, ó estilo do século XX, como pola súa propia experiencia social de xeración academicamente formada -máis que nunca- nos países desenvolvidos, consciente de non ten un lugar claro no futuro que o capitalismo global está a construír para todos nós no século XXI. Neste contexto xorden voces que falan, cen anos despois, da renovada vixencia da Revolución Rusa de Lenin e os bolxeviques, a pesar da súa evolución autoritaria e a radical mutación das condicións históricas, polo de ningún xeito vale copiar mimeticamente. No tempo presente, as opcións marxistas, ou relacionadas co marxismo, activas e politicamente gañadoras seguen nos práctica camiños ben diferentes que os que seguiu o bolchevismo para acadar parecidos obxectivos de transformación social. Co século vivimos agora un auxe de movementos sociais, con escaso protagonismo do movemento obreiro tradicional, que tantos éxitos obtivo no século XX, agora debilitado cualitativa, numérica e estruturalmente. Os novos movementos sociais teñen unha base social diferente e diversa, mozos precarios ou desempregados, moitos deles universitarios, minorías de idade, xénero ou etnia, que tenden a mobilizarse de maneira global. Novo movemento social global que, nun prazo de dúas décadas, tamén fixo estremecer o mundo. En 1999 encetou en Seattle o movemento antiglobalización ou altermundista. En 2011, esporeado pola crise de 2008 e as súas consecuencias, alzouse o movemento dos indignados que atravesou varios continentes ata 2016 (Nuit debout en Francia). A falta de solucións para esta desfeita de globalización é probable que, na terceira década do século XXI, prodúzase unha terceira onda dos indignados da xeración millennials (que intervén historicamente co novo milenio), a única neste momento que podemos comparar coa xeración -así mesmo intercontinental- de Maio do 68, cuxo 50 aniversario celebramos neste ano. Ó mesmo tempo, xorde en América do Sur, de 1998 en diante, a experiencia así mesmo inesperada do "socialismo do século XXI", actualmente en fase de repregamento, de interese no tema conmemorativo que nos ocupa debido a que conleva certa "volta ao marxismo" -que moitos consideraban en bancarrota total despois da Caída do Muro - como guía da acción política. O máis rechamante da nova esquerda bolivariana é, ademais de iniciar a construción dun Estado social en Venezuela, Ecuador e Bolivia, o acceso ó poder a través de eleccións e a aceptación máis ou menos entusiasta do pluralismo partidario e da democracia como forma de goberno, a diferenza do que foi o modelo soviético do século XX. Ten un especial valor por tratarse de países con escasa historia democrática, mesmo de tradición golpista. O precedente histórico máis próximo é o soño pacífico de Salvador Allende e o "socialismo en liberdade" eurocomunista tamén dos anos 70, e o máis afastado é a valoración que, en 1895, o propio Engels fixo do sufraxio universal en Alemaña -onde o SPD conseguira xa dous millóns de votos- como un "instrumento de emancipación", celebrando como "os partidos da orde, como eles se chaman, vanse a pique coa legalidade creada por eles mesmos" (introdución a La lucha de clases en Francia). Vía revolucionaria pacífica e democrática de toma do poder que se viu frustrada, no século XX, en Alemaña e Europa Occidental, polas guerras imperialistas, o nazifascismo, a Guerra Fría, ademais dos logros do Estado de Benestar grazas ás loitas sociais e os "trinta gloriosos" anos de desenvolvemento económico entre 1945 e 1973. Outra novidade do "socialismo do século XXI" é a asunción da cohabitación da empresa pública coa economía de mercado, como unha NEP permanente. É evidente que, na era global, unha economía non pode sobrevivir á marxe do mercado, autarquicamente, outra cousa é deixar que os mercados sen patria, especulativos e bolsistas, sigan mandando máis que os nosos representantes elixidos. É por iso que o proteccionismo no século XXI é cousa de reaccionarios como Trump ou os partidarios ingleses do Brexit. Para transformarmos o mundo, aquí e agora, é principio de realidade aceptar -críticamente- a interdependencia económica global, que pon de actualidade a dimensión necesariamente mundial da revolución socialista, segundo defenderon os fundadores do marxismo. O mesmo valería dicir neste momento de calquera outra iniciativa política ou social encamiñada, no século actual, a controlar democraticamente a globalización económica . Volvendo a 1917, que pode significar a Revolución de Outubro no século XXI? Un referente histórico, historiográfico e identitario. Dicía León Trotsky, na súa Historia da Revolución Rusa, redactada en 1932, que "aínda supoñendo que … o réxime soviético fose derrocado temporalmente… sería un exemplo para todo o desenvolvemento futuro da humanidade". Si, pero non. Cen anos despois, a Revolución Rusa caeu no esquecemento para a gran maioría da xente, incluídos os novos traballadores industriais: principio de realidade. Recentemente Pablo Iglesias, nunha mesa redonda conmemorativa en Madrid do centenario da Revolución de Outubro mostrou a súa admiración polo xenio de Lenin e a Revolución Rusa, demostrou -dicía- que se pode converter "o imposible en real" e que "a política pode gañar á historia". En fin, o "si se pode" que xustamente deu nome ó partido Podemos, xurdido do 15 M do cal Iglesias é secretario xeral. Trátase, en realidade dunha posición individual como profesor de Ciencia Política versado na historia do século XX. Como movemento social o 15- M tivo máis do anarquismo que do leninismo: sen dirixentes, asembleario, tanto ou máis máis espontáneo que os soviets rusos de 1905 e 1917, ou os consellos obreiros de Turín de 1920. De seguido o partido Podemos foi outra cousa, aí entran outros ingredientes de tipo intelectual e político, así e todo se trata de algo novo, as decisións fundamentais, internas e externas, tómanas por Internet -se queren- os case medio millón de inscritos, e teñen como meta presentarse ás eleccións e gañar o Goberno a fin de alcanzar unha democracia real, plena e social. Para nada, pois, un partido leninista de vangarda como o PSDR (b) ou o PCR ( b), organizado para a clandestinidade e a insurrección armada. A Revolución Rusa no século XXI non dá votos, debe ser tarefa de historiadores e profesores de historia facer que non se esqueza tan grande evento, e os seus efectos, que marcaron de maneira indeleble a historia do século XX, sen o cal mal se comprendería o presente convulso que vivimos. A óptica correcta como historiadores é tratar de comprendermos os feitos no seu contexto, sen deixar de ter en conta os valores de hoxe: de forma que comprender non signifique xustificar barbaridades, por razóns de honestidade e pedagoxía. E menos aínda se han de proxectar cara atrás sen máis nosas ideoloxías actuais, as verdades históricas que conteñan as nosas lexítimas interpretacións reséntense diso. En calquera caso, como noutros feitos históricos relevantes do pasado século, a polémica está servida, dentro e fóra da historia académica. A demostración de que a Revolución Rusa de 1917 segue historiograficamente viva é o debate que xerou no seu centenario. A posición historiográfica máis útil é, por tanto, a que tome en consideración o contexto das diferentes épocas do proceso soviético, así como os datos e fontes que se foron descubrindo, empezando polas investigacións innovadoras de E. H. Carr e a historiografía social anglosaxoa e francesa dos anos 60 e 70 , sen coartar en ningún momento o debate entre historiadores e non historiadores. O único camiño desde unha historiografía de valores profesionais e morais é analizarmos a Revolución Rusa partindo do punto de vista dos seus protagonistas, favorables e contrarios, xunto cos datos xerais sobre 1917, a súa xestación, prolongado e discutido impacto, de maneira crítica e autocrítica, por moito que feitos e conclusións molesten á ideoloxía que poida ou puido ter cada un de nós. Cuestión aparte son os militantes ou exmilitantes onde, a diferenza dos historiadores, conta máis a posición subxectiva, polo que se chega a miúdo a negar ou minusvalorar os datos probados que estorban a propia identidade ideolóxica, en especial a parte criminal do estalinismo, algo que non debe facer o historiador de oficio. Diciamos que a valoración presente do que foi e significou a Revolución de Outubro pode ser histórica, historiográfica e identitaria, indo do máis obxectivo ó máis subxectivo. Consideramos lexítima que alguén queira preservar incólume a súa ideoloxía como parte da súa biografía e identidade persoal, outra cousa é avalar como proxecto político colectivo, implícita ou explicitamente, o relativismo moral ou o negacionismo respecto de deríva autoritaria e represiva do estalinismo, inaceptable no noso tempo. Somos parte dunha xeración que evolucionamos -"só a vida dirá a última palabra" dicía Lenin- porque non traizoamos os ensinos medulares e orixinarios da Revolución Rusa: emancipación social e democracia auténtica. * Máis información en http://cbarros.com/revolucion-de-octubre-historia-y-memoria/ Publicidade <a data-cke-saved-href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=ace9876f&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=ace9876f&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' target='_blank'><img data-cke-saved-src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=391&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=ace9876f' src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=391&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=ace9876f' border='0' alt='' /></a> |
NOS_32834 | Instala dous letreiros xigantes coa palabra 'Riveira' en sendas rotondas da vila, vulnerando así varias leis e decretos. O BNG denuncia o feito perante a Valedora do Pobo, o Parlamento e a SXPL. | Non é unha novidade que o goberno local de Ribeira vulnere conscientemente a lei de normalización lingüística, o decreto que fixa o nomenclátor correspondente ás localidades galegas ou faga ouvidos xordos á Real Academia Galega, Valedor do Pobo e Secretaría xeral de política lingüística (SXPL). Todo para teimar no uso do termo deturpado 'Riveira', fomentando o seu uso entre todo o persoal municipal, empresas que rotulan, cartalaría, publicidade, documentación e sinais viarios. Mais desta vez, o goberno local ribeirense ven de facelo'ao grande': Instalou dous grandes letreiros co nome deturpado do municipio en sendas rotondas. Denúnciao Luís Pérez Barral (BNG ribeirense), que informa que o executivo municipal de Ribeira gastou 3.328,84 euros, reflectidos na factura da Xunta de Goberno Local celebrada o día 1 de marzo de 2018, nesa acción. Para o Bloque, "este feito mostra con claridade como o equipo de goberno gasta cartos públicos para vulnerar as leis aplicábeis á toponimia e desatende os requirimentos de diferentes institucións, como a da Valedora do Pobo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística que en reiteradas ocasións lle exixiron que non se deturpase a toponimia e se procedese a cumprir coa lexislación, sen que isto supuxese un cambio de actitude e moito menos, o cumprimento da legalidade". O BNG de Ribeira vén de poner estes feitos en coñecemento da SXPL e Valedora do Pobo, animando estas institucións a que "inste a restituír a legalidade vixente e se lle obrigue ao Concello de Ribeira a acatar co que dicta a lexislación". |
PRAZA_18088 | O Goberno galego asina un convenio con COGAMI que, afirma, permitirá abrir o CEGADI antes de que remate o ano. O complexo foi impulsado polo bipartito, a súa construción comezou en 2008 e rematou en 2013 cun sobrecusto nas obras de arredor do 40%, ata os 13,2 millóns de euros HEMEROTECA | A Xunta ten rematado e pechado dende 2013 un centro de discapacidade que custou 13 millóns | O Consello da Xunta autorizou este xoves que a Consellería de Política Social asine coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) un convenio de 2,7 millóns de euros ao que a Administracióna chega 1,8 millóns e o restante, a entidade social. A súa finalidade é "implantar un plan integral de actuación para persoas con discapacidade no Centro Galego de Desenvolvemento Integral". Ou, o que é o mesmo, abrir co uso para o que foi concibido o CEGADI, un complexo de 8.000 metros cadrados de superficie útil impulsado en tempos do bipartito e que o Goberno galego ten rematado e pechado dende comezos do ano 2013 no barrio compostelán de Salgueiriños e para cuxa apertura veu ofrecendo diversos prazos incumpridos.A Xunta calcula que unhas 1.200 persoas poderán beneficiarse dun proxecto que contempla dende accións de asesoramento e formación ata, "cando se dispoña do equipamento necesario", oferta de "terapias de rehabilitación, mantemento e promoción da autonomía como fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia ou neuropsicoloxía". Segundo o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, fica así demostrado o "compromiso co CEGADI" do seu Executivo, afirmación que exemplifica co traslado a finais de 2017 dalgúns servizos de Política Social e mais da sede da controvertida Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adultas (Funga) ou co convenio co Imserso que, o pasado abril, abriu a porta a instalar alí "un centro d ereferencia para persoas con discapacidade".O centro foi impulsado polo bipartito, a súa construción comezou en 2008 e rematou en 2013 cun sobrecusto nas obras de arredor do 40%, ata os 13,2 millóns de eurosNo caso de se cumprir o cronograma anunciado agora por Feijóo as primeiras persoas con discapacidade poderán comezar a ser atendidas no CEGADI "no último trimestre deste ano" nun plan que se estendería ata 2022. Se non hai cambios no plan o edificio entrará en servizo dez anos despois do inicio da súa construción e media década despois do remate das obras. Polo camiño, un investimento público só nas obras duns 13 millóns de euros, cantidade á que chegou tras sobrecustos -algún deles, cuestionado dende o Consello Consultivo- que roldaron o 40% do orzamento inicial. Estas foron algunhas das datas clave na, ata agora, accidentada vida do CEGADI.Maio 2005O Concello de Santiago cede á Xunta de Fraga unha pacerla de 6.000 metros cadrados para a construción dun centro de atención para persoas con discapacidade.Novembro 2005A Xunta de PSdeG e BNG acepta a cesión tramitada polo anterior Executivo e a Vicepresidencia inicia os trámites para a construción do centro e convoca un concurso de ideas por 174.000 euros que gaña o arquitecto vasco José Ramón Garitaonaindía.Agosto 2007A Vicepresidencia da Xunta convoca o concurso público para a construción do CEGADI por ata 9,05 millóns de euros confianciados polo programa europeo Interreg III.A Xunta adxudicou as obras a finais de 2007 cun prazo de execución de ano e medioNovembro 2007A construtora Alcuba gaña o concurso cunha oferta de 8,7 millóns de euros. A este importe a Xunta engade 130.000 e 112.000 euros máis para a dirección e seguridade das obras. O prazo para o remate dos traballos é de ano e medio.Maio 2008Coas obras xa en marcha, o Consello da Xunta aproba o decreto de creación do Centro Galego de Desenvolvemento Integral, un espazo de "rehabilitación integral para persoas con discapacidade" con servizos como un centro de día con 71 prazas e unha área residencial para outras 38, ademais de dúas vivendas piloto para seis persoas e outras salas de diversos usos.Setembro 2008A Xunta acepta incrementar o orzamento das obras en 1,7 millóns de euros para atender un requirimento do Concello de Santiago sobre a necesidade de prazas de aparcamento en torno ao centro. A factura ascende aos 10,8 millóns.Novembro 2008Tras a caída de Lehman Brothers comezan as restricións de crédito bancario e a construtora Alcuba entra en concurso de acredores, do que non sairía ata 2011.A construtora entrou en concurso de acredores e pediu dúas prórrogas para a entrega que a Xunta aceptouMaio 2009A construtora diríxese á Xunta, xa outra volta co PP á fronte, para pedirlle á nova Consellería de Traballo e Benestar, que dirixe Beatriz Mato, unha prórroga no prazo de entrega do CEGADI ata maio de 2010 para poder adaptar a área do soto ao terreo. Alega ademais un atraso na disposición de enerxía eléctrica.Marzo 2010A construtora pide á Xunta outra prórroga aludindo a imprevistos meteorolóxicos e a traballos de eficiencia enerxética. A Consellería volve aceptar e o límite pasa a ser o 31 decembro de 2010O Consello Consultivo observou "ausencia de toda xustificación" no segundo sobrecusto, de 1,7 millónsNovembro 2010A construtora pide á Consellería un segundo modificado de crédito: quere engadir 1,7 millóns máis ao prezo para "mellorar as pretsacións enerxéticas do edificio". Benestar solicita o preceptivo informe ao Consello Consultivo, que observa "ausencia de toda xustificación" para o incremento de prezo porque a Xunta o argumenta cunha norma que non é de aplicación neste caso. Así e todo, o Consultivo di que o sobrecusto sería aceptable se non aprobalo pon en risco un centro "dirixido a un sector de poboación, os discapacitados, merecedor de especial protección".Mediados de 2011Reinicio das obras con previsión de remate no verán de 2012.Comezo de 2013Fin da obra e entrega á Xunta. A Consellería de Traballo e Benestar crea a a praza de dirección do CEGADI e reserva 990.000 euros nos seus Orzamentos para poñelo en marcha.Outubro 2014Ano e medio despois de recibir o edificio a Xunta revela, a preguntas da oposición no Parlamento, que as obras non culminaron absolutamente. Cómpre instalar un transformador eléctrico para que a posta en marcha do CEGADI non poñ en risco o subministro do gran número de vivendas construídas na zona nos últimos anos. Benestar asegura que o fará de inmediato.Febreiro 2016Ano e medio despois de anuncialo, a Xunta adxudica a obra do transformador por 166.000 euros.Maio 2017A Consellería de Política Social admite que o custo das obras do CEGADI está "cifrado en 13,2 millóns de euros" e anuncia que "comezará a prestar servizos de xeito paulatino ao longo deste ano".Decembro 2017Tras anos de peche e deterioro a Xunta realiza tarefas de mantemento no CEGADI, adxudica pola vía do contrato menor traballos eléctricos e de limpeza e traslada ao edificio servizos como os Equipos de Valoración de persoas con discapacidade e mais a sede da Fundación Galega para a Tutela de Persoas Adultas (FUNGA), ente con graves problemas de xestión.Xaneiro 2018A Xunta completa a mudanza de parte dos servizos de Política Social ao CEGADI, pero volve incumprir o último prazo de apertura do centro.Setembro 2018O consello da Xunta autoriza o convenio con COGAMI para prestar servizos no centro a persoas con discapacidade. O proxecto, segundo Feijóo, comezará antes do remate de 2018. |
PRAZA_17727 | Este domingo finaliza a súa concesión en terreos de dominio público. Porén, este venres a subdelegada do Goberno en Pontevedra afirmou que a planta non pechará ata que se resolva o seu expediente de caducidade, que podería chegar no outono. A entidade convoca un acto este domingo para celebrar que "se inicia a fin" do complexo ENCE-ELNOSA. | Este domingo 29 de xullo finaliza a concesión de Electroquímica del Noroeste (Elnosa) para operar nos terreos de dominio público de Lourizán. Dende hai unhas semanas dábase por feito que a factoría finalizaría a súa actividade nesa data. Porén, este venres a subdelegada del Gobierno en Pontevedra, Maica Larriba, afirmou que a planta non pechará ata que se resolva o expediente de caducidade da súa concesión, algo que se podería chegar no outono. O Consello de Estado ten ata outubro para emitir un informe preceptivo, sobre o que a Dirección Xeral de Costas debe emitir o seu ditame final. A APDR respondeu ás palabras de Larriba, lembrando que "a fin da actividade da fábrica de ELNOSA prodúcese, por Lei, este 29 de xullo, data na que finaliza a súa concesión en terreos de dominio público" Case de inmediato a Asociación pola Defensa da Ría (APDR) respondeu ás palabras de Larriba, lembrando que "a fin da actividade da fábrica de ELNOSA prodúcese, por Lei, este 29 de xullo, data na que finaliza a súa concesión en terreos de dominio público". "Desde esa data ELNOSA carecerá do imprescindíbel título habilitante, situación que nada ten que ver coa tramitación ou non do aludido expediente de caducidade e que lle impide manter a actividade", sinala a entidade. A APDR concorda en que "existe un expediente de caducidade aberto como consecuencia do cumprimento dunha denuncia xudicial que obrigou ao Estado a iniciar tal expediente; e é certo tamén que os expedientes de caducidade teñen 18 meses para a súa resolución, prazo que -no caso do que nos ocupa- vence o 27 de outubro próximo". Porén, conclúe que "non se pode entender que razón pode levar a afirmar que a empresa poderá seguir traballando en Lourizán ata que se resolva o expediente, sinxelamente porque tal situación é contraria á Lei". A entidade convoca un acto este domingo para celebrar que "se inicia a fin" do complexo ENCE-ELNOSA A asociación convocou para este domingo un acto na Praza da Peregrina de Pontevedra ás 19 horas para colocar lazos verdes nas principais rúas da cidade, celebrando que "se inicia a fin" do complexo ENCE-ELNOSA "e comeza un futuro verde, de progreso social, ambiental e económico na nosa comarca, un futuro que só poderá ser certo coa desaparición definitiva do complexo", engade a entidade. Posteriormente, ás 20.30 terá lugar unha festa na Salla Karma. |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.