ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_54924 | Donald Trump elude calquera responsabilidade sobre o asalto ao Capitolio e asegura que o novo 'impeachment' é continuación da "maior caza de bruxas política" da historia. | Miles de extremistas armados, seguidores do presidente dos EUA, Donald Trump, estarían planeando rodear o Capitolio en Washington, a sede do parlamento federal, de cara á toma de posesión do presidente electo, Joe Biden, o próximo 20 de xaneiro. Esta é advertencia que foi realizada aos membros do Congreso nas últimas horas, segundo informou onte CNN citando varios destes congresistas. A comisión encargada de organizar a toma de posesión de Biden avanzou que xa hoxe se porá en marcha un dispositivo especial de seguridade no Capitolio. Tamén, na propia cidade de Washington xa se incrementou a presenza de axentes federais, estatais e locais, en preparación de novos episodios de violencia. A alcaldesa, Muriel Bowser, pediu na segunda feira á cidadanía estadounidense que seguisen "virtualmente" a toma de posesión de Biden e que evitasen viaxar a cidade na próxima semana, alertando de "faccións moi extremas no noso país que están armadas e son perigosas." Ademais, a petición de Bowser, o presidente Trump declarou o estado de emerxencia en Washington de cara á cerimonia da vindeira cuarta feira. As novas advertencias chegan un día despois das realizadas polo FBI, que na segunda feira alertou o resto de autoridades e axencias federais da posibilidade de "protestas armadas" nas diferentes capitais estatais durante os días previos á toma de posesión de Joe Biden. Segundo a información da axencia policial federal, un grupo de extrema dereita estaría promovendo un novo "asalto" a oficinas gobernamentais en todos os Estados en caso de que Trump sexa destituído antes da posesión de Biden. Ademais, habería ameazas tanto ao presidente electo como á súa vicepresidenta, Kamala Harris, e á presidenta da Cámara de Representantes, Nancy Pelosi. "Discurso apropiado" A respecto da situación da última semana e da posibilidade de ser inhabilitado falou onte o propio Trump. O aínda presidente insistiu en que o discurso previo ao asalto ao Capitolio foi "totalmente apropiado", ao tempo que chamou á "non violencia". Ademais catalogou de "perigoso" que os demócratas o queiran volver apartar do cargo ─xa o tentaron en 2020─. "En realidade é a continuación da maior caza de bruxas da historia política. É ridículo", manifestou. |
NOS_28838 | O Avogado Xeral da UE sostén que Bélxica non pode cuestionar unha orde europea de extradición "se non se demostran previamente deficiencias sistémicas e xeneralizadas" no Estado español. As súas conclusións non son vinculantes, mais a meirande parte das sentenzas ditadas pola Xustiza europea seguen a liña marcada por el. | O Avogado Xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), Richard de la Tour, apuntou esta quinta feira que a Xustiza belga non pode rexeitar a entrega dos independentistas procesados polo 'procès' reclamados polo maxistrado do Tribunal Supremo Pablo Llarena, entre eles o ex president catalán Carles Puigdemont. Bélxica rexeitara o pasado ano a extradición do ex conseller Lluís Puig, após entenderen os xuíces deste país que os dereitos fundamentais do político catalán perigarían no caso de ser entregado ao Estado español. De la Tour basea a súa argumentación no "risco de que se violen os seus dereitos fundamentais" se non demostran previamente "deficiencias sistémicas e xeneralizadas" en España. Aliás, sostén que os tribunais belgas non poden pór en dúbida as competencias do Supremo como autoridade para emitir tales 'euroordes'. A xustiza sarda nega a extradición e Puigdemont fica libre A opinión do Avogado Xeral non é vinculante para o TXUE, mais na gran maioría dos casos as sentenzas ditadas pola Xustiza europea seguen a liña marcada por estes ditames. Así, Richard de la Tour lembra no seu ditame o "principio de confianza mutua" entre os Estados membro que prima en materia xudicial e deféndeo como un elemento "de importancia capital" que debe aplicarse plenamente para protexer o espazo sen fronteiras dentro da UE e simplificar a cooperación xudicial para "loitar contra a impunidade". A defensa de Puigdemont ve un "retroceso" nos dereitos e liberdades Após transcenderen estas palabras, o avogado de Puigdemont, Gonzalo Boye, lamentou as conclusións alcanzadas polo Avogado Xeral da UE e cualificounas de "negación" dos dereitos individuais, se ben subliñou que "non implican unha futura entrega dos exiliados". "Non eran as que esperabamos, obviamente teremos que esperar á sentenza, mais non podemos estar contentos con este posicionamento do Avogado Xeral", dixo, e engadiu que, de se oficializaren estas conclusións, suporía unha "desnaturalización" da Carta dos Dereitos Humanos, así como un "retroceso importante" en materia de dereitos e liberdades. Pola súa parte, Puigdemont afirmou que non claudicará e loitará "até o final". "Teremos que percorrer un camiño que xa percorremos antes, mais agora con máis experiencia. Loitaremos por cada dereito e cada opción", salientou. |
NOS_16400 | O misterio, ese algo máis alá do material que suxire tamén moitas veces o engano visual, é o pretexto que vencella os traballos de Lois Patiño (Vigo, 1983) e Jorge Periannes (Ourense, 1974), xuntos en 'Dobre Quadratura'. A mostra xa pode volver visitarse na Casa do Cabildo, en Compostela, espazo central nas pezas. | Coa progresiva reapertura de espazos culturais desta semana xa é posíbel visitar de novo, aínda que en grupos moi reducidos, a exposición Dobre Quadratura, inaugurada pouco antes da entrada en vigor das restricións que a mantiveron fechada asdúas últimas semanas. Nela conflúen as olladas de Lois Patiño e Jorge Periannes, que dialogan co propio lugar, a Casa do Cabildo (Compostela), volvéndoo fundamental na configuración da proposta artística. O misterio compartido O título fai precisamente referencia a un aspecto que une os traballos de ambos os dous creadores. Neste senso, a quadratura é unha técnica sobre todo barroca, aínda que tamén empregada, en menor medida, no Renacemento, que consistía "en pintar nas cúpulas dos palacios e das igrexas o ceo no fondo de todo", explica a comisaria, Mercedes Rozas. Así, "desde abaixo daba a sensación, cun trompe-l'œil [enganaollos], de que era o ceo aberto". Esta foi a forma de conectar, dunha banda, ese engano coa estética na que se inscribe o Cabildo e, da outra, algo que comparten os artistas. "Non só quería unha exposición de colgar cadros, quería que traballasen coa casa", sentencia a comisaria sobre a última mostra dun "proxecto dentro doutro", pois Rozas leva tres anos traballando co Consorcio de Santiago nunha serie de exposicións con Compostela sempre no centro. Apropiarse da casa A Casa do Cabildo ten "unhas connotacións moi especiais", cun espazo estreito e cunha fachada-telón, "forma parte da escenografía compostelá barroca que durante os séculos XVII e XVIII engalanou as rúas adxacentes á catedral. O seu papel é chave na harmonía coral da praza das Praterías, á que se abre cun fermoso lenzo pétreo, que manifesta na súa grandiosidade o concepto teatral do barroco", explica no texto introdutorio. Por iso quixo aproveitar para unir o espírito senlleiro de cada un dos creadores nese "misterio que se oculta tras as bambolinas", coa técnica da quadratura como escusa. "Cada un deles ten unha planta", conta. Patiño fixo, nas dúas salas que lle tocaron, cadansúa videoinstalación: unha delas con imaxes da Costa da Morte, tema que ten explorado na súa consolidada traxectoria cinematográfica, e a outra de Tokio. Estas últimas son unha exclusiva froito dunha residencia que o artista desenvolveu no Xapón o pasado ano. A forma de ocupar o espazo de quen é un dos máis abandeirados representantes do que a crítica deu en chamar Novo Cinema Galego, explica Rozas, consistiu en que "todas as paredes teñan imaxes". Desde a escuridade total, consegue isto con varios proxectores que se entrecruzan nun xogo que convida a procurar esa pequena realidade que aparece entre os filtros ou obxectos que as difuminan. Periannes, pola outra banda, tira polo tema teatral co trompe-l'œil como eixo, "buscando esa anécdota, ás veces moi irónica", comenta. Nunha das salas coloca distintos elementos que enganan os espectadores, como un cigarro que semella real, mais que está construído por el cunha técnica hiperrealista. Na outra, puxo unha sorte de teatro onde se aprecia unha "bolsa con cubos de xeo e está todo manchado de auga", explica a comisaria. Porén, trátase dun enganaollos. Alén de confundir con estes mecanismos, a proposta de Periannes atópase ateigada de espellos, outra maneira de introducir a casa na obra. E no reflexo, "o periplo eterno do ser humano, cos seus achados e as súas perdas, as súas preguntas e as súas respostas". Dous anos de traballo A escolla destes dous talentos responde, primeiro, ao gosto persoal da comisaria, segundo ela mesma recoñece. Con Periannes xa traballara, mais con Patiño era a primeira vez. Foi un proceso longo, de dous anos. Do cineasta destaca a súa singular imaxe fotográfica, cunha medida selección das sombras, como se aprecia nos cadros superiores. No caso de Periannes, no inferior, Rozas valora o humor e a ironía coa que observa a realidade, pero sobre todo destaca o tratamento conceptual. |
NOS_54685 | Máis un número do semanario saído do prelo. A restitución dos apelidos, 40 anos do secuestro da información que implicaba os Rosón na represión franquista, a emigración xuvenil que non cesa, entrevistamos Xabier Díaz… Todo isto e máis, xa na nosa loxa. | Manuel, Ana, Horacio, Andrea, Suso, Xosé Antón, Saleta, Xosé Lois e Rocío son unha pequena mostra dos milleiros de persoas que decidiron restituír os seus apelidos (algúns tamén o nome) á súa forma orixinal. Uns fixérono antes de 1999, coas dificultades que implicaba a galeguización, e outras máis recentemente. "Eu restituín os meus apelidos". 'Os Rosón, o azote da Galiza: unha información secuestrada'. Hai corenta anos, falamos do 19 de abril de 1978, un xulgado de Madrid ordenaba o secuestro dun número da revista Interviú que recollía unha información sobre a participación de varios membros da familia Rosón na represión franquista na comarca dos Ancares. 'Máis sombras que luces'. O Executivo galego vulnera a súa propia lei de transparencia. Hai un mes, o Goberno da Deputación de Lugo retirou a Suplusa, empresa pública en que a institución posúe a maioría accionarial, as competencias de xestión das residencias de maiores. A decisión desatou unha nova crise nun Goberno provincial que, en mans do PSdeG, non acaba de resolver a súa dependencia do díscolo socialista Manuel Martínez. 'A Deputación de Lugo, no precipicio'. Comba Campoi, actriz e xornalista, e Xosé Ramón Freixeiro Mato, ensaísta e profesor da UDC, falan do proxecto de 'O Diario Galego'. O politólogo e sociólogo arxentino Atilio Borón, un dos máis reputados analistas a nivel internacional, debulla o que se agocha tras o bombardeo dos EUA, Franza e o Reino Unido contra Siria baixo o pretexto dun presunto ataque químico. Borón pon o foco no reiterado uso da manipulación como arma de guerra. 'Calígula e Trump'. 'A mocidade que non regresa'. A emigración como única saída. Decenas de miles de mozas e mozos galegos decidiron saír ao estranxeiro durante os últimos anos pola falta de oportunidades laborais ou empurrados pola precariedade no país. Unha sangría que nega a Xunta, que asegura que a maioría das persoas emigradas marcharon "hai moito tempo", á vez que anuncia un plan para facilitar o seu retorno. O sector do pequeno comercio na Galiza perdeu máis de 19.000 traballadoras e traballadores entre 2009 e 2017. Só nos doce meses do ano pasado tiveron que botar o feche máis de mil negocios. Un impacto laboral, económico, mais tamén social e territorial, que deixa profunda pegada no país. 'O comercio galego bota o feche'. 'O mapa do Burgo de Osma: una apoloxía de Galiza en 1086'. É a cartografía de referencia do espazo cristián peninsular no século XI. Cunhas dimensións de 370 x 265 milímetros, fai parte dun pergamiño de 166 folios, con 322 páxinas escritas en letra visigótica e 71 miniaturas, correspondéndolle a autoría a un monxe chamado Pedro e as iluminacións a un tal Martiño. Elaborado á volta de 1086 nun mosteiro do Reino de Galiza, a maioría das fontes coinciden en situar a súa orixe no Mosteiro de Sahagún, na actual provincia de León. Entrevistamos Xabier Díaz (A Coruña, 1969), que apresentou o pasado mes de febreiro o seu disco 'Noró', que volve remitir á tradición oral e á posta en valor de figuras esquencidas na música de raíz. Recentemente chegado da Alemaña e a piques de marchar de xira a Bélxica, Sermos Galiza conversa con el sobre a súa traxectoria, a súa proxección internacional e o momento de graza que está a vivir a música tradicional. "Teño a sensación de que na música tradicional tamén son unha especie de converso". A poesía é tamén unha exploración dos límites. Da linguaxe e da literatura. E a enfermidade coloca o corpo humano contra as súas propias fronteiras. Hai poetas que se adentran na intersección entre escrita e doenza e extraen poemas fráxiles, verdades atravesadas pola dor e a súa conciencia. 'Poemas da vida danada'. E non faltan as achegas e opinión de Xoán Costa, David Otero, Francisco Castro, Margado Val, Nachortas e Tokio, Mario Regueira, Mercedes Espiño, Colectivo Xea, Andrés Castro, Óscar Blanco, Miriam Ferradás, Estíbaliz Espinosa. |
NOS_36693 | Esquerra Republicana, EH-Bildu, a CUP e o BNG escenificaron esta quinta feira no Congreso unha fronte común para reafirmar o seu rexeitamento á reforma laboral en caso de non aceptar o Goberno negociar mudanzas e melloras no decreto lei acordado coa patronal CEOE e os sindicatos CCOO e UXT. | ERC, Bildu, CUP e BNG defenden unha fronte común ante a negativa ERC, Bildu, CUP e BNG ante a negativa expresada Goberno estatal a aceptar mudanzas na reforma laboral. Nunha declaración conxunta presentada no Congreso, representantes das catro formacións expresaron a súa "absoluta e sincera vontade para abrir un diálogo e negociación co Goberno" co fin de alcanzar un acordo para "unha reforma laboral ambiciosa, que dea resposta ás peticións e expectativas das persoas traballadoras e cumpra coa palabra dada á maioría traballadora". Un acordo insuficiente A xuízo destas formacións, a reforma laboral que debe someterse a votación a próxima semana no Congreso "non constitúe a derrogación da reforma laboral do 2012" e, aínda valorando medidas incluídas contra a temporalidade e a precariedade, consideran que "son totalmente insuficientes para alcanzar o obxectivo de restituír os dereitos laborais básicos arrebatados". Malia sinalar que cada partido é autónomo á hora de decidir o sentido de voto para a validación ou derrogación do decreto lei a vindeira quinta feira, tanto o portavoz laboral de ERC, Jordi Salvador, como os portavoces de EH-Bildu, Mertxe Aizpurua; da CUP, Mireia Vehí; como o deputado de BNG, Néstor Rego, confirmaron que se o Goberno non se compromete a realizar cambios na reforma, o seu voto será negativo. Entre as propostas que detallaron está a prioridade dos convenios autonómicos, a recuperación da indemnización de 45 días por despedimento improcedente e os salarios de tramitación, a volta da autorización administrativa para despedimentos colectivos ou a primacía total dos convenios de sector sobre os de empresa. Achegamento de posicións Salvador criticou que "persoas moi importantes do Goberno", sen citalas, asegurasen "que non se vai a tocar unha coma" do acordo, exercendo "o veto". Un grupo de persoas no que non encadra á vicepresidenta de Traballo, Yolanda Díaz, coa que recoñeceu que "o tacto é diferente" e na que detecta "un intento" por achegar posicións. "Houbo intercambios, propostas, hai cousas nas que se pode chegar a acordos", recoñeceu, aínda que sinalou que, para mover a súa posición |
PRAZA_16060 | VÍDEO | O lume deixou á vista en Taboexa (As Neves) petróglifos que avalarían "un novo paradigma" no que o cabalo e non o cervo se consolida como o animal máis representado do sur de Galicia e o norte de Portugal | "O maior descubrimento de arte rupestre das últimas décadas en Galicia" é como presentan varios arqueólogos o achado nos montes de Taboexa (As Neves) afectados polos incendios do pasado outubro dunha superficie de petróglifos descoñecida ata o de agora. Unha descuberta que avalaría "un novo paradigma para a arte rupestre galega e portuguesa: entre o fondo da ría de Vigo e o río Lima o animal case exclusivo, multirepresentado, non é o cervo, son os équidos". A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta confirma que os novos petróglifos de Taboexa "non están catalogados e, a priori, parecen importantes". O lume deixou á vista en Taboexa (As Neves) petróglifos que avalarían "un novo paradigma" no que o cabalo e non o cervo se consolida como o animal máis representado do sur de Galicia e o norte de Portugal O descubrimento dos novos petróglifos, que se produciu o pasado 7 de decembro, foi anunciado a pasada semana, tras a súa análise polos expertos, no salón de actos do Centro de Interpretación do Patrimonio de Taboexa, nun acto no que estiveron presentes Xosé Lois Vilar, Eloy Martínez e Manolo Ledo, da sección de arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), moi activo na recuperación e investigación do patrimonio en todo o sur da provincia de Pontevedra, así como o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, e os descubridores do petróglifo, Cándido Verde, Xosé Álvarez "O Buraco" e Xilberte Manso. O arqueólogo Xosé Lois Vilar destaca que na zona na que se descubriron os novos petróglifos había xa outros inventariados, pero os agora atopados estaban enterrados e só puideron ser localizados tras os incendios do pasado outubro, paradoxo do que se lamenta porque o lume é dos peores inimigos deste tipo de restos arqueolóxicos. Foi precisamente cando foron revisar o estado en que os incendios deixaran os petróglifos xa catalogados cando se atoparon co agora descuberto. Desde o IEM consideran os petróglifos de Taboexa "dos mellores de Galicia polo seu tamaño, pola súa tipoloxía e pola cantidade e variedade de figuras representadas". Segundo a descrición dos arqueólogos, nunha laxe inclinada de entre 25 e 30 metros cadrados (uns 6x5 metros) están gravadas diversas coviñas, algunha figura abstracta e "uns vinte zoomorfos orientados en direccións diverxentes ocupando toda a pedra". "Na parte alta presidindo, un home ben sexuado, á súa esquerda un cánido e debaixo un équido ferido por arma longa, animais de boísima factura, boa conservación, grande tamaño e na mesma zona do petróglifo gravados usando tres técnicas distintas", esquemática, vaciado do corpo e doble trazo. Segundo Vilar, o petróglifo aoparíase entre os "40 ou 50 mellores de Galicia" e sería o mellor dos atopados nas dúas últimas décadas. A laxe cos petróglifos de Taboexa tratada visualmente Na mesma zona do petróglifo hai figuras elaboradas con tres técnicas distintas: esquemática, vaciado do corpo e doble trazo Segundo os expertos, os zoomorfos son "claramente équidos coa cola espesa, as orellas, a ausencia de cornas", o que os leva a ratificar "un novo paradigma para a arte rupestre galega e portuguesa: entre o fondo da ría de Vigo e o río Lima (xa cun caso en Felgueiras, máis ao sur) o animal case exclusivo, multi representado, non é o cervo, son os équidos". Segundo din, "nesta extensísima área xeográfica só se coñecen dez superficies claras con cérvidos, delas só unha, quizais dúas en Portugal, pegadas ao Miño (Verdoejo) e máis de cen con équidos co mesmo comportamento que os cérvidos, perseguidos, cazados, simplemente representados na pedra. Os équidos cazados vivos ou matados co home como dominador da natureza". Entre o fondo da ría de Vigo e o río Lima só se coñecen dez superficies claras con cérvidos e máis de cen con équidos "Este postulado comprobado na práctica vén de afianzarse aínda máis coa descuberta en Taboexa, que confirma o novo paradigma", din os expertos do IEM, cuxa sección de arqueoloxía e etnografía vén impulsando o Proxecto Equus, que combina os estudos zoolóxicos, etnográficos e arqueolóxicos sobre os garranos (equus ferus atlanticus) e a arte rupestre. Desde a Consellería de Cultura indican que o IEM comunicou á Dirección Xeral do Patrimonio a aparición destes achados, que "non están catalogados" e que "a priori, parecen importantes". Está previsto que nos próximos días arqueólogos de Patrimonio se despracen á zona para inspeccionar os achados, valorar a súa importancia e determinar que medidas tomar con eles. |
NOS_48038 | A fortuna editorial de Stefan Zweig foi accidentada. Extremadamente popular en vida -nacera en Viena en 1881 e morreu en Brasil en 1942-, a súa obra atravesou despois certa etapa de ostracismo. Volveu emerxer a finais do pasado século. Na actualidade fai parte indiscutíbel do canon da literatura europea. Dúas traducións sitúano na actualidade da literatura galega. | Novela de xadrez, en versión de Patricia Buxán e Saleta Fernández, xa se publicara en 2004 na editorial Ir Irindo. Volve ás librarías da man de Irmás Cartoné, coidado selo especializado en traducións. "Zweig logrou a considerable fazaña de crear, coa súa descrición dunha partida de xadrez", escribiu o poeta inglés Stephen Spender en The New York Review of Books, "unha metáfora do xogo terriblemente sinistro que xoga cos seus torturadores". Zweig escribiu a obra entre 1938 e 1941, no seu exilio brasileiro -escapaba do III Reich. Publicouse de xeito póstumo en 1944. "É o derradeiro escrito que deu ao prelo", sinala a nota editorial, "días antes de suicidarse". Narra a historia dun grupo de pasaxeiros dun trasatlántico que "ao decatarse de que entre eles se atopa o campión mundial de xadrez, decide retalo". A outra peza do autor que chega, desta volta por vez primeira, ao galego é o seu célebre, portentoso Momentos estelares da humanidade, orixinal de 1927 e agora publicado por Faktoría K. A tradución é de Laureano Araujo, responsábel das versións galegas de clásicos alemáns do XX como Opinións dun pallaso de Heinrich Böll ou A morte en Venecia de Thomas Mann. Catorce acontecementos críticos no percurso humano sobre a terra compoñen a escolla de Stefan Zweig para o seu xenericamente inclasificábel libro. Da caída de Bizancio ao tren que levou Lenin de Suíza á estación Finlandia de Petrogrado (antes Leningrado, tamén San Petersburgo), da conquista do Polo Sur a El Dorado, a habelencia prosística de Zweig acada aquí unha das súas cimas. O home que afirmara "Brasil é o país do futuro" -considerábao a antítese da "tentativa insana de crear persoas racialmente puras"- construíu unha amplísima obra narrativa, que foi posta en imaxes por, entre outros, Max Ophüls. Suicidouse canda a súa dona Lotte Altmann. A escuridade nazista abatíase sobre o futuro. |
NOS_23677 | O portavoz do Goberno ruso, Dimitri Peskov, responsabilizou Occidente da tensión que se vive no leste de Europa e salientou que utiliza "unha ameaza pantasma" para fornecer de armas a Ucraína. Porén, EUA e a OTAN insisten nesta hipótese. | "Co pano de fondo dunha ameaza artificial e pantasma que supostamente emana de Rusia, os países occidentais continúan a asolagar Ucraína de armas, proporcionando os seus asesores militares e, en xeral, consentindo as provocacións de Ucraína en lugar de facer que executen os acordos de Minsk, aprobados polo Consello de Seguridade da ONU", denunciou Peskov, segundo recolle a axencia estatal rusa TASS. Ao seu xuízo, "iso significa que as crianzas, as persoas anciás e as mulleres continuarán a morrer no leste de Ucraína", xa que "o Goberno de Kiev está a librar unha guerra sen previo aviso contra eles desde hai moitos anos". Tamén o ministro de Exteriores ruso, Sergei Lavrov, fixo referencia onte á situación de presión que a OTAN está a exercer sobre a zona coa súa continua expansión das últimas décadas até acurralar Rusia, rodeada xa por bases militares occidentais. "En caso de non haber unha resposta construtiva, de Occidente continuar co rumbo agresivo, entón [...] Moscova tomará as medidas de resposta necesarias", declarou, e engadiu que "en calquera caso, a seguridade de Rusia e da súa cidadanía é unha prioridade, e será garantida baixo calquera circunstancia". Porén, o portavoz do Departamento de Estado dos EUA, Ned Price, teimou onte en sinalar que "se calquera forza rusa se despraza a través da fronteira ucraína, se hai unha nova invasión, [Rusia] atoparase cunha resposta rápida, severa e unida non só dos EUA, senón tamén dos nosos aliados e socios". Ademais, o presidente estadounidense, Joe Biden, ameazou onte con impor sancións "persoalmente" contra o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, en caso de invasión de Ucraína. O pasado 17 de decembro, o ministerio de Exteriores ruso publicou o esbozo de acordo sobre garantías de seguridade cos EUA e coa OTAN, que implicaba a non expansión desta cara ao leste, o rexeitamento á entrada de Ucraína na alianza militar e restricións ao despregue de armas ofensivas letais, incluídas as nucleares. Lea polo avión derrubado en 2014 O representante de Rusia ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), Mikhail Vinogradov, pediu onte á corte que desestime a demanda presentada polo Goberno de Países Baixos en relación do derrubamento do voo MH17 por considerar que inclúe "probas falsas" e "terxiversación dos feitos". O TEDH estuda actualmente se tramitar ou non esta demanda presentada contra o Goberno ruso en 2020 en relación co voo, que foi derrubado por un mísil en 2014 cando sobrevoaba o leste de Ucraína, informou a axencia estatal rusa Sputnik. O 17 de xullo de 2014, o voo MH17 da compañía Malaysia Airlines, que se dirixía de Amsterdam a Kuala Lumpur, foi alcanzado por un mísil cando sobrevoaba esta zona convulsionada polos enfrontamentos entre as tropas ucraínas e as milicias separatistas prorrusas. Un grupo de investigadores encabezado por Países Baixos concluíu que o avión fora derrubado por un sistema de mísiles antiaéreos trasladado desde Rusia. Porén, Moscova sempre negou calquera responsabilidade neste suceso e culpou en cambio o Goberno de Kiev. |
PRAZA_18878 | Feijóo delega no director xeral da Corporación, que presume da cobertura informativa dos telexornais e nega a "politica represiva" que denuncia a oposición e as protestas que suman 32 semanas denunciando "manipulación" | Nin o apoio masivo aos paros parciais, nin o éxito das folgas que obrigaron a modificar a programación, nin os sete meses de venres negros que o persoal acaba de cumprir protestando "contra a manipulación e o desmantelamento" e polo cumprimento da lei de Medios. Nada. Nin o presidente da Xunta nin o director da CRTVG se inmutan ante as reiteradas demandas de solucións a un conflito que continúa sen resposta. Foi Núñez Feijóo quen hai unha semana volveu desentenderse do problema apelando á "independencia" da CRTVG e derivando calquera responsabilidade no seu consello de administración –controlado por conselleiros nomeados polo PP e afíns ou ex-traballadores dese partido– logo de negarse mesmo a responder a unha pregunta sobre os venres negros. Este xoves foi o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, quen reiterou que o "único e último responsable" do que ocorre nos medios públicos é el pero sen dar resposta clara nin solución ningunha ás demandas feitas pola oposición na comisión de control parlamentaria da CRTVG. O director da CRTVG nega calquera inxerencia política e non achega solución ningunha a un conflito de máis de medio ano"Están convencidos de que hai outras persoas que deciden ou outra longa man detrás e non cren que non é así", asegurou Sánchez Izquierdo tras ser preguntado pola "manipulación" e a "propaganda" que En Marea, PSdeG e BNG atribúen aos medios públicos, en especial á hora de tratar a actualidade política e social en Galicia nos seus informativos. Neste venres, persoal da CRTVG protesta de novo noutro venres negro, o 32º desde aquel primeiro do mes de maio. De novo de loito e superando xa os sete meses de protesta. Coincidindo co Día dos Santos Inocentes, os profesionais advirten de que non están "para bromas" e acusan a Feijóo e Sánchez Izquierdo de apostar por "uns medios públicos parciais, deshonestos e imprecisos". "Parece unha inocentada, pero sabes que hai empresas públicas en pleno século XXI que incumpren a lei pola que se rexen? Está a pasar na CRTVG", denuncia nas redeso sociais o colectivo Defende A Galega. Pero nada estraño ocorre, segundo di Sánchez Izquierdo, malia as denuncias de oposición, sindicatos e persoal da radio e da televisión públicas e logo de dimisións que denunciaron o "control informativo". "Demostrar a cobertura correcta que fai a CRTVG deste e doutros temas non é complicado", presumiu Sánchez Izquierdo ao ser cuestionado polo tratamento informativo dos continuos problemas e protestas na sanidade galega. E insistiu en tirar de datos de audiencias para defender o enfoque dos telexornais. Son moi vistos e, xa que logo, deben estar ben. Sánchez Izquierdo presume da "cobertura correcta" da CRTVG de temas como a sanidade e insiste en tirar de audiencias para gabar o enfoque dos informativosToda a oposición pediu poñer fin á "instrumentalización" dos medios públicos. Ademais, a deputada do PSdeG, Noela Blanco, volveu reclamar que a CRTVG puxese fin xa á "política represiva" contra os traballadores implicados nas reivindicacións laborais. Referíase desta vez ao expediente aberto contra o presentador Carlos Jiménez, logo de ter locutado un programa elaborado por unha produtora e que foi adquirido e emitido pola propia TVG.Blanco, que tamén fixo referencia ao expediente arquivado contra Beatriz Moyano, acusou a CRTVG de "abrir xuízos mediáticos e políticos contra profesionais dos medios, deturpando a Lei de Medios de 2011", e lembrou que é o propio presidente da Xunta quen deriva responsabilidades políticas no seu cargo negándose a dar conta da situación do ente e a responder ás denuncias de manipulación. O PSdeG acusa a CRTVG de "abrir xuízos mediáticos e políticos contra profesionais dos medios" e pide pór fin á "política represiva""Vostede actúa de maneira irresponsable por responder ás ordes de Feijóo e permitir a instrumentalización do ente", acusou Blanco. Sánchez Izquierdo respondeu denunciando "o uso da palabra represión" e asegurando que acusar de "política represiva" á CRTVG é "moi de panfleto sindical". Insistiu en que só se abriron oito expedientes a profesionais no que vai de ano, que só catro acabaron en sanción e que, á oposición, "só lle importan os casos que teñen máis repercusión mediática". |
PRAZA_1886 | A Sanidade Pública é a única que garante que todas e todos recibamos unha asistencia sanitara digna. E que non perdamos un dos piares básicos do estado do benestar: depende de nós. Temos que impedir que se destrúa o ben máis prezado da persoa, que é a súa saúde. | En xaneiro de 2014, o goberno do PP publica a Lei 12/2013, do 9 de decembro. Chámase, eufemisticamente, Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias. Que pretende o PP con esta lei? Veremos que só beneficia a sanidade privada. A lei regula os tempos máximos nos que @s usuari@s do Sistema Sanitario Público, serán atendid@s. Pero: onde serán atendidos? Os prazos que recolle a lei, falan de 60 días para intervencións cirúrxicas, 45 días para consultas externas e 45 días para probas diagnósticas e/ou terapéuticas. Pois ben, as consecuencias desta lei, son que a sanidade privada, estará financiada con diñeiro público, e no mesmo plano que a Sanidade Pública. Tendo en conta as listas de espera expostas pola consellería estes días, vemos que no CHUS a espera en cirurxía, está en 65,7 días. Esto implica que tod@s @s doentes que estean en lista de espera e non sexan chamados no tempo estipulado pola lei, poden acudir á medicina privada que o Sistema Sanitario Público, farase cargo do pago dos servizos feitos (evidentemente quen teña cartos para pagalo de forma anticipada, que logo o Sistema Público llo devolverá.....): medicina para ricos e medicina para pobres. Así, a medicina privada, sae beneficiada en grao sumo polo propio incumprimento da lei, favorecido polo Sistema Sanitario Público. Por que se produce todo isto? Se a taxa de reposición d@s profesionais estaba no 10%, e agora no 50%, (dín que no 2016 pasa o 100% de novo, logo algo non funcionou ben ata o de agora ou xa fixeron o traballo sucio que tiñan que facer.......) é evidente que con menos persoal, temos menos servizos. Se xa temos listas de espera, se o persoal diminúe, é evidente que as listas de espera aumentan. Se engadimos o peche de camas que se produce, xa dende o 15 de xuño, temos como consecuencia que en lugar de dotar de máis persoal e camas, para cumprir a lei, o Sistema fai o contrario. A consecuencia evidente é o aumento das listas de espera. Como se pode penalizar a un/ha doente, a non aplicarlle os criterios de gravidade, efectividade e oportunidade da atención sanitaria, por exceder uns prazos, marcados polo propio Sistema Público? Ademais, se @ doente renuncia a ser atendido na sanidade privada, perde os dereitos a ser atendido nun centro da Sanidade Pública. Como se pode penalizar a un/ha doente, a non aplicarlle os criterios de gravidade, efectividade e oportunidade da atención sanitaria, por exceder uns prazos, marcados polo propio Sistema Público? É o propio sistema o que beneficia descaradamante á privada. O Sistema Sanitario Público, é o único que garante que tod@s recibamos a mesma atención, garantindo que sexa Pública, Universal, Gratuita e de Calidade como marca a Constitución e o Estatuto de Autonomía. Pero o propio sistema actual, rexido polo PP, fai que a propia lei non se cumpra. Dende hai 3 anos, temos unha xerencia única, que atende a cerca de 800.000 persoas; non existe especificamente un/ha xerente para Especializada e outr@ para Atención Primaria. A unificación das xerencias non é algo que favoreza a Atención Primaria, porta de entrada no Sistema Sanitario Público. Se temos en Primaria lista de espera pola baixa tasa de reposición, @s doentes acudirán aos servizos de urxencias, que polo mesmo motivo, se verán saturados. Se por riba se pechan camas e non se dota as plantas dos hospitais co persoal necesario, a xente acumúlase nos servizos de urxencias. Ao final, o que se produce é un acúmulo de doentes nas listas de espera oficiais. Pero temos tamén as listas de espera do "xa o chamaremos": xente que non figura en ningures, está en stand by, e non computa como paciente en lista de espera. Logo: se xa son dramáticas as cifras das listas de espera, temos @s doentes que non están rexistrados (calquera que teña un/ha familiar ou amig@ que demande asistencia, sabe ben de que falo). Esta é a Sanidade Real e non a que nos quere vender a consellería de sanidade. Temos tamén as listas de espera do "xa o chamaremos": xente que non figura en ningures, está en stand by, e non computa como paciente en lista de espera Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública de Compostela, temos na nosa páxina web, unhas SOLICITUDES DE RECLAMACIÓN, dirixidas ao Xerente de Xestión Integrada de Santiago, para cando se producen as demoras en consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas. Presentándoas no rexistro do CHUS, o xerente terá que dar resposta a cada caso de demora na asistencia. Outro tema a ter en conta é a externalización de servizos e a contratación de multinacionais para a adxudicación de equipos diagnósticos (recentemente, 48,3 millóns de euros a Philips polos equipos de imaxe). Ó grupo Varian Medical System Ibérica, concedéronlle 25 millóns de euros para o tema da Radioterapia en 2015. O Instituto para el Desarrollo e Integración de la Sanidad (IDIS) acaba de publicar uns datos demoledores: no ano 2.000, no estado español, a Sanidade Privada constituía o 7,21%, actualmente está no 10%. Conta con 455 hospitais, o que representa o 53% do total dos centros hospitalarios construidos, con 52.360 camas (o 33% do total). Crece a un ritmo do 3% anual. Grupos como Ribera Salud ou Vithas, facturaron no ano 2.014, 300 millóns de euros. A Sanidade Pública é a única que garante que todas e todos recibamos unha asistencia sanitara digna. E que non perdamos un dos piares básicos do estado do benestar: depende de nós. Temos que impedir que se destrúa o ben máis prezado da persoa, que é a súa saúde. |
NOS_18145 | En maio deste ano, rexistráronse 69.557 novos contratos, 5.261 máis que en abril e 3.024 máis que en maio de 2021. | O Ministerio de Traballo vén de facer públicos os datos de persoas paradas e afiliadas á Seguridade Social no mes de maio, que deixa como dato máis reseñábel que na Galiza houbo no mes de maio 146.120 persoas paradas, 4.482 menos que no mes de abril (-2,98%) e 19.186 menos que en maio de 2021. Este dato supón que o noso país tivo unha variación negativa de 11,6% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Desta maneira, a Galiza estivo á cola no descenso do paro rexistrado, só por diante de Euskadi (-7,6%) e Melilla (-6,7%). Mulleres e servizos: o paro baixa en 1.173 persoas na Galiza no mes de marzo Do outro extremo atópase Baleares (-52%), Canarias (-30,2%) e Catalunya (.27,8%) como autonomías nas que se rexistrou unha maior variación interanual negativa no paro rexistrado. En maio deste ano, rexistráronse 69.557 novos contratos, 5.261 máis que en abril e 3.024 máis que en maio de 2021. Tipo de contratos e prestacións Destes 69.557 contratos, 26.407 foron de carácter indefinido, mentres que os 43.150 restantes foron temporais. Medio millón de fogares galegos dependen das prestacións En canto ás prestacións, na Galiza presentáronse no mes de maio 48.165 solicitudes, das que se concederon un total de 45.801 axudas. 83.668 persoas foron beneficiaras de prestacións por desemprego no noso país durante o mes de maio, das que 37.128 recibiron prestacións contributivas, 41.525 un subsidio e 5.015 a renta activa de inserción. Datos estatais Por primeira vez desde 2008, o paro descendeu no Estado español por debaixo dos tres millóns de persoas. En concreto, os datos rexistrados polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) son de 2.922.991 persoas paradas. O desemprego nas persoas con diversidade funcional dobra o resto No mes de maio, o paro baixou en 99.512 persoas, mentres que, con respecto aos datos de maio de 2021, o descenso foi de 858.259 persoas. |
NOS_10637 | Nunhas poucas semanas, Faia Díaz recreou un día coas vacas inspirado en receitas de cociña no festival Plataforma, deixou abraiado o público do Maré coa súa versión do Cantar Alentejano ou do Cantar Galego de Zeca Afonso e mostrou no Museo do Mar, no Cantas Verbas, de que xeito decrecer en recursos nun escenario pode ser unha das mellores maneiras de recrear a tradición musical oral transmitida por mulleres. Faia é unha das artistas máis interesantes do actual panorama musical galego. Falamos dos seus diversos proxectos. | —Ao cabo leirín, a canción que dá título ao disco, é da montaña de Lugo. Cal é a súa historia? Cantábase moito na miña familia, pero é do arquivo de Antón Castro, que gravou a Lidia Gómez no colexio de San Román de Cervantes no 1999. Eu fun coñecer a Lidia a Lugo e ela explicoume que o cabo do leirín é o final do leiro, dunha leira pequena. Nas coplas tradicionais hai bastantes referencias a iso, ao cabo do leiro, nos cantos de sega. Están no cancioneiro de Dorothé Schubarth, por exemplo. —Decidiu gravar un disco coa voz espida e co son ambiente -unha taberna, un roupeiro...- porque é así como cantaban elas, as transmisoras da tradición, na súa vida cotiá? Hai algo diso pero foi tamén por azar. O proceso de gravación foi experimental e longo. Probamos en moitos sitios diferentes e despois fixemos unha escolla cun criterio estético. Si que decidimos previamente que non ía levar arranxos. Buscamos espazos afastados do que sería un estudo de gravación e conectados coas letras das cancións ou co que a Hevi, que fixo todas as gravacións da cara A do disco, e a min, nos inspiraban. —Reivindica vostede as mulleres non só como transmisoras da tradición oral, senón como intérpretes. Por que o considera necesario? Porque son boas intérpretes. Que alguén cantase ben é algo que sempre se valorou. Pero aínda hoxe se mantén o nesgo machista de pensar nas mulleres como transmisoras e os homes como intérpretes. E non era así. O que pasa é que coa música tradicional non ten sentido falar de autoría no sentido que ten hoxe. As mulleres sabían cantar e inventaban coplas que chegaron a nós como anónimas. —Hai unha peza que fora gravada por Alan Lomax nos anos 50… Si. Alan Lomax gravou en 1952 en Corcubión a Manuela Sande, que era de Brens, Cee. Eu falei coa filla dela. Esta peza non estaba editada, aínda que forma parte do arquivo dixital de Alan Lomax. A letra é un poema de Ramón Cabanillas, Almiña tola, de No desterro. De todo o disco é a única que non ten unha melodía tradicional. Aínda estou investigando e non sei cando foi escrita. Tiven que chamar á libraría do Congreso dos Estados Unidos para que me pasasen a peza en boa calidade… —O tema do disco gravado nunha taberna, Manolo mío, veulle pola súa avoa… Si. Manolo mío cantábao miña avoa e graveino eu. O último tema do disco, Atrosa, foi gravado por meus pais en Fisterra no 1987. Transmitíullelo Helena Casáis, de San Martiño de Abaixo. É unha canción que sempre se cantou na miña casa tamén. Son pezas que me chegaron porque antes se interesou por elas a miña familia. Eu o que fago é achegar a miña interpretación persoal. —Que música se escoitaba na súa casa? Dixo vostede no Cantos na Maré que Zeca lle viñera por -feliz- imposición familiar. Na miña casa cantamos moito pero tamén escoitabamos moita música, si. De todo. De Zeca a habaneras, rancheras, boleros… —Hai outra peza no disco, Doncos, feita cunha canción moi coñecida, Por que non hei de cantare? Mónica de Nut ten unha versión, anterior ao seu disco, potentísima. Si. Estaba recollida en La tradición musical en España. Galicia. Derradeira Polavila, editado por Tecnogasa en Madrid en 1986. A recolla foi feita por M. Santamaría, C. Rey e J.M. Alonso. A muller que a canta é Avelina Méndez, de San Martiño de Couceiro, Val do Dubra. A versión de Mónica é moi boa, si. Para darlle valor á música tradicional, o que se fixo foi poñela nun escenario, amplificar, microfonar… Como se fose un concerto de rock —No documental Dorothé na vila, ela mesma comenta que as informantes pensan que o bo cantar é o que sae na TVG. Atopouse vostede con iso? Di Mercedes Peón que non hai que facer "evolucionar" o que elas fan, porque xa é perfecto. Non sei que dicir… Elas si saben que cantan ben. Pode que che digan que xa non cantan, que non se acordan, pero de repente arrancan cunha copla que te deixa abraiada. Mais si é verdade que non é algo ao que lle dean moito valor. Pensan que a ninguén lle interesa e que son cousas de vellos. E pode que pensen que o que ven un día na tele é mellor que o seu. Pero tamén é verdade que interpretan cantigas que viron na tele, incorporándoas así ao noso acervo cultural… —É máis complexo entón. Schubarth tiña moito coidado de non ser protagonista e de crear unha relación persoal coas informantes. Como é agora? Cando meus pais, que son de Fuxan os Ventos, facían recolleitas, había moitas máis mulleres -a palabra informantes non me gusta moito-. Moito traballo xa estaba feito cando chegamos nós. Eu recollo como cantante e non como antropóloga, mais si penso que é moi importante crear un vínculo emocional e de permanencia. Eu vou visitalas e, agora que non se pode, falo con elas por teléfono. Supoño que Mercedes Peón, Leilía, Xabier Díaz… toda a xente que recolleu tanto non poderá manter esa relación persoal con todas. Eu podo porque son moitas menos. —No seu disco -un vinilo- están, nunha cara, todas as gravacións orixinais e na outra a interpretación das mesmas que fai vostede. Por que decidiu facelo así? Xabier Díaz, ou Milladoiro, ou Leilía xa introduciran nos seus discos gravacións orixinais. No primeiro disco de Leilía hai unha copla de Erminda Miramontes que a min sempre me abraiou e que vai tamén no meu disco. É un arrolo moi fermoso. O que fago eu é dedicar unha cara do disco só para os orixinais. Porque -citabas antes a Mercedes Peón- a interpretación dela está perfecta como está. Que menos que escoitalas. —Investigou os cantos de mina a partir da historia das mulleres na minaría do volframio. Tal como lembrou nunhas das Xornadas de Tradición Oral da AELG, elas tamén foron mineiras ou estraperlistas. Outro exemplo de traballo feminino que fica, na memoria, nun plano secundario. É como o que falabamos sobre a música. Se pensamos na minería, identificámola cun home que baixa pola mina. Pero elas tamén traballaban no volframio e cargaban con 40 quilos de peso estando embarazadas, por exemplo. Ou dedicábanse, como dis, á roubacha. Eran igual de fortes ca eles. —Como comezara ese proxecto? Por unha casualidade bonita. Había unhas xornadas do CGAC sobre a obra de Eva Lootz. Houbo uns relatorios sobre a minaría -Lootz traballa moito con minerais- nos que houbo uns debates moi interesantes. Alí estaban Encarna Otero ou Carmen Blanco, por exemplo. Pois Helena Salgueiro, Patricia Coucheiro e eu estabamos no público. Comezamos despois a buscar coplas da mina. Así demos, por exemplo, con María de Fetós, que traballou na mina para poder mercar uns pendentes de ouro que nunca máis quitou. —Comezou na música de xeito profesional no Coro da Ra e despois co Coro Encaixe. Que achegaron ao que é hoxe? Moito. Dos coros saíu De Vacas, porque foi onde nos coñecemos. A Ramón Bermejo débolle moito. Foi o meu primeiro profesor de canto e unha das persoas que me animaron a cantar. Estar no Coro da Ra foi importante tamén porque para min foi o paso da intimidade á socialización, de cantar na casa e coa familia a compartir o canto de xeito máis público. Cantar a voces é fantástico. Eu xa o facía na casa coa miña irmá, facendo versións. Con Coro Encaixe sigo. Somos unha grande familia. —Xa que fala de que cantaba coa súa irmá, algo semellante debeu ser con De Vacas… Supoño que nacería de brincadeira. De Vacas naceu nun ensaio do coro Encaixe, dunha sección que faciamos eventos. Comezamos a falar do que cantabamos cando eramos adolescentes: coas irmás, diante do espello… E foi moi divertido: aquelas versións nun inglés inventado… De Vacas naceu, así, cun sentido de revisar a propia infancia. —E Apatacón, o proxecto que compartes coa contadora Vero Rilo? O humor tamén está presente aí… Tamén fas locucións e cancións para libros de texto... Vero é unha narradora extraordinaria e é ela quen marca a pauta, mais temos historias de rir e de chorar. E si, levo uns anos traballando con Lucas Rei para libros de texto. —Dixo nunha entrevista que a tradición é tamén modernidade. A tradición non é estática, está en constante renovación. Por que é necesario lembralo? O fundamental é que temos que valorar a tradición, que nos dá moitas pistas sobre o que somos. No momento en que a traemos á actualidade xa é moderna, e transformala é o que se fixo sempre. Non se trata de que sexa máis moderna por mesturar, por exemplo, a música tradicional coa electrónica. A cuestión é valorar unha tradición que logo cadaquén interpretará ao seu xeito. Eu non tento mellorar o que nos transmitiron as mulleres. Iso sería pura soberbia. O que fago é facer a tradición tamén miña, facendo a miña interpretación. Pois tampouco se trata de non tocar a tradición. —En relación con iso, por que decidiu gravar un disco en solitario? É moi diferente ao que fai con De Vacas, por exemplo. Pois en parte precisamente por iso. Tiña necesidade de facer algo diferente, que eu entendo como máis que un disco, como un traballo de investigación sobre a música tradicional. Coincidiume cun momento persoal delicado, coa perda da miña avoa. O disco foi unha forma de curarme. Era algo que eu necesitaba para pasar a dó. —Citabamos antes a Zeca. Presentou no novo Cantos na Maré, agora chamado Maré e con Santiago como sede, o seu proxecto de homenaxe a Zeca, que comparte con Lar Legido e Nacho Muñoz. Alí contou que xurdiu no pub Modus Vivendi. Como foi? O Modus ten unhas residencias artísticas nas que nos convidan a facer, basicamente, o que queiramos. Eu traballei no Modus até hai pouco e para min son máis que amigos, familia. Propuxéronme facer unha residencia artística. Eu chamei a Luis (Lar), que é un músico que admiro moito e ademais estiven un tempo indo con el a clases de batería. A Nacho, de Igmig, tamén o coñecía. Son moi fan. Nacho e Luis, que xa coincidiran na orquestra Omega, están feitos para tocar xuntos. Tiven esa intuición de xuntalos e penso que atinei. —Hai pouco, no concerto Cantas Verbas, lembrou que a habanera é parte do noso patrimonio. Cristina Pato fixo unha tese sobre as músicas da emigración. Vostede, como experta, pensa que falta moito por investigar sobre o tema? Eu en realidade no son etnomusicóloga. Estudei Historia da Arte e fixen mestrados en Patrimonio. Falta moito por investigar en todos os ámbitos relacionados co patrimonio inmaterial, e o problema é a falta de orzamento. Temos un patrimonio inmaterial riquísimo e non é de estrañar. Levamos a nosa tradición musical aló onde fomos, a América e a Europa, e ademais trouxemos parte da tradición musical dos países aos que emigramos. É unha tradición musical de ida e volta que contribúe a facer a nosa máis rica. Un exemplo de transculturación que sen dúbida merece ser máis investigado. —Estivo tamén hai pouco no festival Plataforma, no que recreou no Concerto Menú un día de campo coas vacas. Con pandeira e peneira. Foi algo un pouco performativo. Participar no Plataforma foi unha oportunidade xenial para todos nós. No caso do Concerto Menú, Marta Fernández seleccionou receitas de cociña, gravou ao son da súa elaboración e deixounos a Su Garrido, a Paulo Pascual e a min liberdade total para crear a partir de aí. O que eu fixen en realidade tampouco é unha escenificación, aínda que levei unha manta para poñer no chan, como se fose a manta sobre a herba, e unha peneira e fariña. —Falabamos antes de Leilía, Mercedes Peón, Uxía… O seu traballo inscríbese nunha tradición musical herdada pero tamén nesa tradición de mulleres e homes que reinterpretaron as recollas. Non sei se parte da súa preocupación era facer algo diferente e por iso optou pola voz espida, que é como volver a antes do folk… Realmente tampouco é algo que me formulase conscientemente. Todo aconteceu dun xeito natural, por unha necesidade persoal, como explicaba antes. Claro que teño moi presente o traballo de Mercedes Peón, de Uxía, de Guadi Galego, de Ugia Pedreira e de todas as mulleres que traballaron a partir da música tradicional. Pero tampouco é que pensase en facer algo diferente a elas. Simplemente eu sigo o meu propio camiño. —En relación con iso, existe un debate sobre o papel das mulleres no baile tradicional. Que pensa vostede? Tampouco son unha experta niso, pero eu veño dunha tradición de baile que nos chegou a través da Sección Feminina e que implicaba que as mulleres non sacaban puntos, brazos ben para arriba… O que eu penso é que seguramente todo aconteceu de xeito máis orgánico, máis natural de como nos contaron. E ademais hai vídeos que o proban. Había mulleres que sacaban puntos, que lideraban… Claro que si. —Do mesmo xeito, a música tradicional asociábase máis co gaiteiro que coas pandeireteiras, que eran a maioría. Aínda que despois do traballo de Leilía e moitas outras estará máis asumido… Seguramente. Para min o importante é que temos que aprender delas de maneira global. Non só reivindicalas como intérpretes, porque sabían cantar e tocar a pandeireta. Senón tamén por unha cuestión de formatos. Unhas tocaban, outras cantaban, outras bailaban, pero facíano todas xuntas. Non había nin escenificación nin amplificación. Non era preciso microfonalas, por exemplo. Pois o que eu propoño no meu disco é dalgunha maneira explorar ese formato. Penso que, para darlle valor á música tradicional, fíxose o contrario: poñelas nun escenario, amplificalas… Como se fose un concerto de rock. E non é un concerto de rock. É mellor! —A isto se refire cando di que, xa que os espazos onde tradicionalmente se cantaba e se bailaba perdéronse, teremos que buscar outros. No canto de ir ao muíño cantando, ir á oficina cantando… Para min é, máis que nada, unha cuestión de distancias. De distancia entre o público e o artista. Se nas artes escénicas contemporáneas falamos de transgredir eses límites, de romper a cuarta parede, por que na música non? —Como nas foliadas. Tamén, por certo, Guadi Galego, Ugia Pedreira e outras foron camiñando cara ao "decrecemento" de recursos no escenario. En relación coas mulleres, Chévere está coa nova As Fillas Bravas… Pódese deducir un mundo máis libre para as mulleres do que transmitiu, despois, a Sección Femenina? Tampouco investiguei especificamente sobre isto pero si penso que seguramente foi unha sociedade máis libre do que se nos contou. Por iso digo sempre que o que facemos en De Vacas é seguir a tradición. Quero dicir, nós non inventamos nada cando subimos a un escenario e falamos da regra, da cona ou do esmegma. A forza que nós transmitimos era a forza que elas tiñan. |
PRAZA_8358 | Verbena galega é un proxecto de Culturactiva SCG para "galeguizar" as festas. A oferta inclúe un tráiler, un grupo de música tradicional, un de "pachanga" e un picadiscos para o remate da festa. Grupos como Pandeiromus, A Compañía do Ruído ou O Sonoro Maxín forman parte do cartel. | Verbena galega é un proxecto de Culturactiva SCG para "galeguizar" as festas. Trátase dunha revisión do que é actualmente o concepto de verbena tratando de reinventalo e de actualizalo. A oferta inclúe un tráiler con iluminación e son, un grupo de música tradicional, un de pachanga e un picadiscos para o remate da festa. Grupos como Pandeiromus, A Compañía do Ruído ou O Sonoro Maxín forman parte do cartel. En total son 5 horas de música e baile co denominador común do idioma galego e da esencia da festa tradicional e moderna a un tempo. As actuacións musicais divídense en 2 pases (un de cada grupo) coa posibilidade da intervención dun grupo de animación antes da sesión musical e/ou no intermedio e un picadiscos como peche das actuacións para que a festa nunca remate. Unha proposta pensada para público familiar que de seguro encherán de cor calquera festa en Galicia que queira innovar e diferenciarse do resto. Grupos como Pandeiromus, A Compañía do Ruído ou O Sonoro Maxín forman parte do cartel A programación pódese completar con: Presentador: Un persoeiro coñecido poderá facer de mestre de cerimonias do espectáculo presentando aos grupos e facendo ás veces de pregoeiro, contando historias do pobo e da xente que nel vive. Espectáculo de circo/clown: Espectáculo de circo na rúa para todos os públicos. E Contacontos infantil: Actuación dun contacontos para nenos e nenas. |
NOS_11832 | Máis dunha ducia de pasaxeiros acompañaron o tenente alcalde Rubén Arroxo con pancartas coa lenda: "Lugo Quere Tren" | O tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, subiu ao tren a primeira hora da mañá deste domingo na estación da cidade canda a outros cargos orgánicos e institucionais do BNG na comarca para percorrer os máis de 40 km de distancia entre Lugo e Parga. Con esa viaxe en tren quixeron "reclamar un servizo áxil de ferrocarril que sirva para unir Lugo co resto de capitais galegas e estatais". 5 horas para ir de Lugo a Compostela en tren con parada previa en Ourense Rubén Arroxo lembrou a manifestación que ten convocada o BNG para a próxima sexta feira, 28 de outubro, na que "se demandará un ferrocarril digno para Lugo baixo as siglas LQT -Lugo Quere Tren-". A manifestación partirá, ás 20.15 horas, da praza Maior e rematará diante da Subdelegación do Goberno do Estado. Abandono Arroxo lembrou que o BNG entregou no Ministerio de Transportes. Mobilidade e Axenda Urbana, en Madrid, "máis de 4.000 sinaturas das veciñas e veciños de Lugo que reclaman ao Goberno do Estado un compromiso real con Lugo". Neste sentido, o tenente alcalde subliñou os "anos de abandono" que sufriu Lugo por parte dos distintos Gobernos, que obrigan agora á veciñanza a saír á rúa e uns "servizos ferroviarios dignos" que respondan ás súas necesidades. É máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela "Os orzamentos presentados non melloran a situación de Lugo, deixando de lado a necesaria mellora das infraestruturas ferroviarias que precisa Galiza e sobre todo a posibilidade de ter un tren de proximidade propio que nos permita desprazarnos entre vilas e cidades", afirmou Arroxo, quen engadiu que "Lugo segue á cola nos investimentos, especialmente no ferrocarril, onde continuaremos con infraestruturas do século XIX". Madrid máis perto que Compostela Pola súa parte, o responsábel do BNG, Felipe Rivas, afirmou que "a chegada do AVE a Galiza, con case 30 anos de atraso sobre a data anunciada nun primeiro momento polo Goberno do Estado, só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela". É por iso que a formación nacionalista recolleu sinaturas nos últimos meses baixo o lema 'Lugo Quere Tren', co obxectivo de por a cidade "no mapa dos servizos ferroviarios, rematando con anos de recortes e eliminacións de conexións que son necesarias para as veciñas e veciños de Lugo". Continua aldraxe ferroviaria Na viaxe participaron, entre outras persoas, Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua no concello de Lugo, Olalla Rodil, vicevoceira do Grupo Parlamentar do BNG e outros cargos institucionais e orgánicos do BNG. |
PRAZA_14867 | Sinalan que estas prazas non implican un incremento do persoal laboral da USC nin da masa salarial autorizada pola Xunta de Galicia ao seren "transformacións de contratos xa existentes en figuras específicas e graduais da carreira universitaria". | A Plataforma formada polas afectadas e afectados pola resolución reitoral que suspende cautelarmente as prazas convocadas o 21 de setembro ven de solicitar unha entrevista informativa urxente co reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long. A convocatoria de 34 prazas foi cautelarmente suspendida nunha comunicación do 26 de outubro, próxima á data na que a convocatoria esgotaba o prazo previsto de publicación das listaxes provisionais de admitidos e excluidos. As afectadas pola resolución, salientan que "as prazas suspendidas de xeito cautelar son prazas de transformación de contratos xa existentes en figuras específicas e graduais da carreira universitaria. Polo tanto, estas prazas non implican un incremento do persoal laboral da USC" A USC explicou a decisión en base ás "comunicacións remitidas a esta universidade pola Dirección Xeral de Orzamentos" da Xunta. Pero o conflito iniciouse co recurso contencioso-administrativo que o Ministerio de Facenda interpuxo contra a convocatoria baséandose no Real Decreto-lei 20/2011, de 30 de decembro, de medidas urxentes, que prohibía a incorporación de novo persoal ás administracións públicas, agás en casos excepcionais. Porén, as afectadas e afectados pola resolución, salientan que "as prazas agora suspendidas de xeito cautelar son prazas de transformación de contratos xa existentes en figuras específicas e graduais da carreira universitaria. Polo tanto, estas prazas non implican un incremento do persoal laboral da USC nin da masa salarial autorizada pola Xunta de Galicia". Con todo, a convocatoria é un concurso público, de xeito que todos os aspirantes a estas prazas, pertenzan ou non ao Persoal Docente e Investigador (PDI) da Universidade de Santiago, están afectadas por esta detención cautelar do proceso selectivo. A Plataforma lembra que "estas e estes afectados pola suspensión cautelar da convocatoria presentan unha alta produtividade en docencia, investigación e xestión" A Plataforma polo Levantamento da Suspensión Cautelar está composta por PDI da USC en diversas situacións contractuais que obrigan a unha transformación da relación laboral coa institución. A Plataforma lembra que "estas e estes afectados pola suspensión cautelar da convocatoria presentan unha alta produtividade en docencia, investigación e xestión, acreditada polas axencias externas avaliadoras da calidade –ACSUG para Galicia e ANECA para o Estado–, así como unha relación laboral de longa duración coa Universidade de Santiago, nalgúns casos de 35 anos". Por conta do traballo docente desenvolvido, os profesores e investigadores afectados teñen unha media de 300 alumnos e alumnas aos que imparten aulas tanto en grao e licenciatura como en mestrados e programas de doutoramento nun total de 14 facultades da USC. |
NOS_53787 | Os primeiros Centros de Información á Muller (CIM) da Galiza están a piques de facer 20 anos. Neste tempo convertéronse nun servizo imprescindíbel de xestión municipal que conta con fondos da Administración autonómica e do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Insuficientes, segundo o persoal que atende a diario as necesidades das mulleres vítimas das violencias machistas. | O CIM é un recurso esencial. «Pero non abonda con que exista, hai que dotalo de recursos para que sexa un servizo eficaz», afirma Montserrat González, secretaria de Asocim, a asociación das profesionais que traballan nos Centros de Información á Muller da Galiza. O decreto de creación dos CIM data de 2004. O texto orixinal fixa tres figuras indispensábeis para cada centro: unha directora, unha psicóloga e unha asesora xurídica. Na actualidade, a maioría dos centros contan exclusivamente con estas tres profesionais, que en «99% dos casos se reducen a dúas traballadoras porque a norma permite que, ben a psicóloga ben a avogada, asuman a dirección do centro». É o caso da secretaria de Asocim, que dirixe o CIM de Bueu ademais de exercer como asesora xurídica. Segundo di, «é incompatíbel» dado o número de casos que atenden e o tempo que lle dedican a cada un. «O traballo é cada día máis esixente, porque hai máis e porque os problemas que nos chegan non só requiren unha dedicación exclusiva, senón doutros perfís profesionais adicionais que permitirían unha atención integral máis axil». Os CIM de hoxe en día non son os de hai 20 anos. De feito, en outubro de 2016 modificouse o decreto para atribuírlles novas funcións «pero non se fixo ningún cambio no capítulo de recursos mínimos, non se atenderon as nosas demandas, e daquela xa era evidente que a realidade á que agora debemos facer fronte é outra. É terríbel e estamos desbordadas». Máis profesionais Tamén no CIM de Pontevedra. «Estamos saturadas», recoñece Rosa Campos, directora e pisóloga do centro municipal de atención á muller. «O número de usuarias que buscan información e acompañamento multiplicouse. Xa non fican agochadas. Coñecen mellor os seus dereitos e os recursos dos que dispoñen para facelos valer". En Pontevedra, contan, ademais, cunha auxiliar administrativa, máis cun axente de igualdade que se encarga de coordinar toda a programación que deseña o centro. «Sen estas dúas profesionais sería imposíbel sacar o traballo adiante, xa que o volume de usuarias excede moitas veces a nosa capacidade». Cada Goberno local fai o que cre que ten que facer, pero hai distintas formas e graos diferentes de facelo. Existe un forte desequilibrio en materia de igualdade. Con todo, ninguén queda sen asesoramento. O que perseguen en cada CIM é axustar os recursos á realidade da súa contorna, ás demandas en materia de xénero e a outros perfís profesionais, como os de educadora e traballadora social, que mellor poden contribuír a un servizo de calidade. Pero a súa presenza, ao cabo, depende da vontade -e do investimento- de cada concello, que son os que deciden en materia de igualdade. «Cada Goberno local fai o que cre que ten que facer, pero hai distintas formas e graos diferentes de facelo», apunta Montserrat González. «Polo tanto, existe un forte desequilibrio en canto a execución de políticas de igualdade». Desde Asocim critican as dificultades do rural para acceder en igualdade de condicións aos recursos dispoñíbeis. «Nas provincias atlánticas é doado atopar un CIM cada 10 Km. A dispersión da poboación nas provincias de Lugo e Ourense faino imposíbel. Nin sequera os centros mancomunados conseguen corrixir unha eiva asistencial que afecta especialmente ás máis débiles, que son as mulleres do rural e as maiores de 65 anos». Violencia económica A estes déficits, Montserrat González suma as «novas formas de violencia que castigan mulleres de todas as clases». Á violencia física, emocional e psicolóxica, engade a violencia económica. «Mulleres fóra das contas bancarias dos seus maridos, que non saben o que fan cos cartos; mulleres que teñen que pedir diñeiro para ir á compra. A min é a violencia que máis me conmove», asegura. A maior parte das mulleres non saben que iso é violencia. «É humillante» porque lles nega a decisión de que facer co seu patrimonio, e case sempre «asfixia aos fillos tamén». González fai fincapé nunha práctica normalizada no país: 80% dos cónxuxes non pasan a pensión alimenticia aos fillos. «O Pacto de estado contra a violencia de xénero recoñece este impago como violencia económica, pero de nada serve se non se desenvolve ese compromiso». Pacto de Estado Montserrat González apela a un cambio urxente das políticas e das normas que afectan as persoas en materia de igualdade. «É importante dotalas económicamente pero tamén desenvolvelas desde o punto de vista social». Coincide Rosa Campos, que ve unha oportunidade no funcionamento dos CIM e no deseño de campañas e proxectos educativos apegadas á comunidade. A tranformación social pasa por formar as xeracións máis novas, pero tamén os colectivos que traballan directamente coas vítimas de violencia machista: avogadas, xuízas, médicas, policías. As profesionais dos CIM botan en falta unha formación especializada que para elas é obrigatoria, ademais dun traballo de coordinación agora deficiente que debilita a calidade asistencial. Neste sentido, láianse da parálise que sofre a execución do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que recolle axudas específicas para compensar a dispersión poboacional e romper o desequilibrio actual entre territorios; ou a creación de xulgados de violencia de xénero específicos que garantan o acceso igualitario á xustiza de todas vítimas independentemente de onde vivan. Redestribución das axudas Malia todo, a preocupación fundamental céntrase nas vítimas e no seu sufrimento. «Cada día entran pola porta mulleres que denuncian casos terríbeis» de violencia física e psicolóxica, explica Rosa Campos, «pero tamén recibimos casos novos, moi complicados, que esixen unha revisión dos medios e das axudas dispoñíbeis. Inmigrante ilegais, mulleres con patoloxías importantes», sen ordes de protección e maiores de 65 anos que precisan máis solucións das que se prevén . «Despois dunha vida entregada á familia, é moi duro verse separada e sen acceso ao mercado laboral, dependente dos fillos, se os ten, e se se prestan a axudala», engade Montserrat González. O salario da liberdade -600 euros mensuais durante un ano- non é suficiente para quen non ten a opción de volver traballar. «Estas mulleres necesitan axudas por máis tempo e máis cantidade» para deixar de ser dependentes dunha situación de violencia, di a secretaria de Asocim, que tamén reclama unha redistribución dos recursos en función das necesidades específicas que de cada muller. |
PRAZA_13561 | O histórico dirixente nacionalista ve "fundamental" a "cuestión da soberanía" e coida que a bandeira da II República española "non representa a Galiza" | "E por que non a República de Galiza?". Baixo este título o dirixente nacionalista e ata hai poucas datas secretario xeral da Unión do Povo Galego (UPG), Francisco Rodríguez, pronunciou este xoves unha conferencia na Coruña. Enmarcada nos actos do BNG cara ao 25 de xullo, durante a súa exposición Rodríguez amosouse convencido de que un réxime republicano galego "serviría para combater os males da globalización non con máis globalización", senón "reectificando as causas desta e optando por un internacionalismo que respecte a soberanía, a democracia, o pacifismo, o antimilitarismo e o antiimperialismo". Con estas proposicións de base o tamén membro do Consello Nacional do Bloque diferenciou varios tipos de república, como a "idealista", que "se vende como laicismo, igualdade, transparencia, democracia e anticorrupción", a "centralista e burguesa" ou a "plurinacional de nacións Estado confederados e de carácter revolucionario". Tamén, advertiu, existen repúblicas "parafascistas e autoritarias", "confesionais" ou "presidencialistas". Neste contexto, ao seu xuízo o "cambio fundamental viría dado coa instauración dunha República galega, dun Estado galego que optase por un réxime de confederacións". Francisco Rodríguez enmarca esta reflexión nun ámbito no que "a cuestión da soberanía é fundamental" para o BNG. Así, remítese ao precedente republicano máis próximo, o da II República española, e as "diferenzas radicais" que neses anos se produciron entre Galicia e Catalunya. "Mentres Catalunya contaba cun presidente electo que proclamou un Estado catalán, Galiza careceu desa inicaitiva e viu como se boicoteaba o seu Estatuto". Por iso, coida, cómpre "non repetir a historia e ter claro que a República galega ten que conlevar que o pobo galego decida por si mesmo sen dominios" e, do mesmo xeito, que a lingua galega estea igualmente "normalizada sen dominios". Nese proceso faríase necesaria ademais "capacidade produtiva" e "ferramentas de autoorganización política, sindical e mediática". "Xa o advertira Castelao, para sentar a república hai que respectar os dereitos dos pobos, a iniciativa e a decisión". Tamén en referencia á II República Rodríguez manifestouse contrario á utilización da súa bandeira como un símbolo galego. Ao seu xuízo a bandeira "vermella, amarela e morada é española e non representa a Galiza nin os galego se galegas". "Esta bandeira é monárquica porque recolle as cores rojigualda de 1843 e española porque incorpora a cor morada do pendón de Castela", di. |
PRAZA_12315 | Presentouse a Plataforma Cidadá en Defensa da Radiotelevisión Pública Galega, composta por colectivos políticos, sindicais, culturais e en defensa da lingua, con Cándido Pazó e Lola Ferreiro como voceiros. Lanzan un manifesto que denuncia que a recente modificación da Lei sobre a CRTVG abre a porta a unha privatización encuberta do medio. Audio no interior. | Este mércores presentouse en Compostela a Plataforma Cidadá en Defensa da Radiotelevisión Pública Galega, composta por colectivos políticos (PSdeG, BNG, EU, Encontro Irmandiño, Ecogaleguistas ou FPG), sindicais (CIG, CC.OO., UGT, SXG, SLG, STEG ou CUT), culturais, educativas (Nova Escola Galega) e en defensa da lingua (Mesa, AGAL ou Prolingua). O obxectivo é defender os medios de comunicación públicos da "estratexia xeneralizada de acoso e derribo, que vai máis alá das tradicionais críticas de carácter ideolóxico, legal ou financeiro e que busca cuestionar a natureza mesma da súa existencia". A Plataforma advirte de que "importantes sectores políticos e económicos préstanse ao desmantelamento da radiotelevisión publica, ben propoñendo a desaparición da oferta (eliminando canles), ben "externalizando" a súa actividade (baleirándoa de contido), ben desvirtuando conceptos lexitimadores do servizo público ou debilitando os seus recursos". "Na cabeza do PP está a privatización, pero sería moi abrupto facelo agora" A Plataforma, que conta con Lola Ferreiro e Cándido Pazo como voceiras, presentou un manifesto aberto para a recollida de sinaturas. Coa creación desta plataforma, segundo Pazó, "preténdese crear un movemento de opinión que estea en garda do que se intúe que se pretende facer coa radio e televisión públicas. Queren baleiralas de sentido e función para que pouco a pouco chegue un momento no que se presente a súa privatización como a medida máis lóxica, para que teña un custe electoral menor. Na cabeza do PP está iso, pero sería moi abrupto facelo agora". A Plataforma aínda non definiu un percorrido de accións concretas. "Pode haber mobilizacións coma as que xa houbo en Compostela, e outro tipo de actividades, como xornadas sobre a importancia dos medios de comunicación públicos. Trátase de crear opinión, de crear estados de alerta", asegura Cándido Pazó. Denuncia que a recente modificación da Lei sobre a CRTVG abre a porta a unha privatización encuberta do medio Así mesmo, denuncia que a recente modificación da Lei sobre a CRTVG abre a porta a unha privatización encuberta do medio: "dá entrada á participación do capital privado en actividades e funcións propias do servizo público de radiodifusión e facilita a externalización da produción, permitindo a xestión privada de boa parte da programación dos medios públicos". A plataforma lembra que a Lei deriva ao mandato‐marco a fixación dos obxectivos xerais de servizo público que debe cumprir a CRTVG. Este instrumento, esencial para a concreción do modelo de radiotelevisión pública, deberá ser aprobado polo Parlamento de Galiza no prazo máximo de seis meses dende a entrada en vigor da citada lei. O contido do manifesto O manifesto fai referencia á importancia dos medios públicos galegos para a defensa da "identidade nacional de Galiza" e o impulso da normalización da súa lingua, que promova a igualdade entre mulleres e homes e dedique especial atención á infancia e mocidade, que asegure aqueles contidos destinados ás minorías máis desfavorecidas da nosa sociedade. Tamén salienta a función que deben cumprir no estímulo "a participación democrática mediante unha regulación que asegure a aplicación efectiva do dereito de acceso aos medios públicos dos grupos sociais e políticos, sen excluír as minorías". O texto remata instando ao Parlamento a regular por lei a creación dunha autoridade audiovisual independente Finalmente, lembra a súa "función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente con transparencia, evitando a concentración das compras nun número reducido de provedores". O texto remata instando ao Parlamento a regular por lei a creación dunha autoridade audiovisual independente, que vele polo cumprimento da normativa reguladora do sector audiovisual xestionado pola Xunta, conforme aos principios do manifesto. Web da plataforma Manifesto |
NOS_20612 | Desde a media noite de mañá, 6 de novembro, a actividade da hostalería queda suspendida nas sete cidades e noutros 53 municipios. É unha das medidas acordadas polo Goberno galego para tratar de reverter o empeoramento da situación epidemiolóxica na Galiza, que abeira xa os 10.000 casos activos e supera os 950 falecementos. As restricións inclúen limitación da mobilidade neses 60 concellos e outras actuacións para reducir a actividade á esencial. A oposición reclama axudas para os sectores máis afectados, reforzos sanitarios e máis contundencia ante a evolución da pandemia. | Tres obxectivos perseguen, segundo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, as novas medidas contra a pandemia que desde a media noite da sexta feira, día 6, e por un mes endurecerán de forma considerábel as restricións nas sete cidades e noutros 53 municipios que representan 60% da poboación galega: rebaixar o "estrés" sanitario en UCI e hospitais, e tamén nos centros de maiores e de discapacidade, evitar un novo confinamento domiciliario e, como "terceiro e máis difícil", tentar salvar a campaña de Nadal, "un dos momentos de maior consumo tradicionalmente", desde o punto de vista económico e tamén social. Con estes argumentos, Feixoo presentou onte as novas limitacións, que manteñen os fechamentos para a mobilidade aplicados desde a pasada semana nas principais zonas urbanas, agora estendidos a outros concellos da súa área de influencia, e engaden novos recortes da actividade económica e social. Desta maneira, os confinamentos aplicaranse de forma perimetral na Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre e Oleiros; en Compostela, Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra; en Ferrol, Ares, Neda, Narón e Mugardos; en Ourense, Amoeiro, Barbadás, Coles, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Toén; en Pontevedra, Vilaboa, Marín, Ponte Caldelas, Poio, Barro, Cerdedo-Cotobade, Campolameiro e Soutomaior; en Vigo con Mos, Nigrán, Gondomar, Porriño e Redondela, e en Lugo. A maiores, as normas reforzadas operarán tamén en Vimianzo, Monforte, Burela Viveiro, O Carballiño, Verín, Xinzo, Cangas, A Estrada, Lalín, Silleda, Ponteareas, Tui, Cambados, O Grove, e Vilanova e Vilagarcía de Arousa, núcleos con taxas de incidencia superiores aos 200 casos por cada 100.000 habitantes e con tendencia ascendente, segundo expuxo o presidente do Goberno galego. En todas estas poboacións, 60 en total, a prohibición de entrada e saída máis alá de por motivos laborais, educativos, administrativos ou de atención de persoas menores, maiores ou vulnerábeis acompáñase dunha suspensión da actividade non esencial que supón a clausura da hostalaría, exceptuando o servizo a domicilio, e redución da capacidade para actividades como a cultural ou a deportiva. Os novos acordos, deseñados coa colaboración do comité clínico que está a asesorar a Xunta na xestión da pandemia, engaden, para o conxunto do país, outras limitacións que inclúen unha redución da capacidade do transporte público, dos espazos comúns das áreas comerciais e nas residencias de maiores. Feixoo tamén avanzou a intención de manter o toque de recoller na mesma franxa horaria –de 23 a 6 horas– máis alá do 9 de novembro, data na que o Executivo estatal deriva a decisión nos Gobernos territoriais. "Canto máis se tarde en actuar, máis difícil será a contención e máis profunda será a afectación económica", xustificou na súa comparecencia Feixoo, que apelou ao "empeoramento" de todos os indicadores para avalar unhas decisións "nada fáciles", en especial para a hostalaría. "Máis fácil sería a opción de agardar, como parece ser a do Goberno español, mais para nós é inasumíbel", manifestou, aludindo ao agravamento da situación epidemiolóxica, tanto a nivel xeral como na Galiza, a partir da segunda quincena de outubro. Desde esa data, a Xunta certifica un incremento de 111% dos contaxios, cun aumento da taxa de incidencia a sete días de 105% e de 152% a 14, e cunha progresión que vai dos 4.569 casos a 14 de outubro até os 9.642 de onte, cando se computaban 473 persoas hospitalizadas, 80 en UCI e 644 novos contaxios. "Debemos frear a tendencia", incidiu Feixoo, para quen as medidas acordadas, seguindo as que se foron tomando na comarca do Carballiño, van supor "un reseteo do sistema sanitario" dirixido a rebaixar de forma contundente a presión hospitalaria e das UCI e reducir o número de novos casos activos, coa vista posta na campaña comercial de decembro. Diante destas actuacións, a portavoz da primeira forza da oposición, a nacionalista Ana Pontón, valorou as novas restricións como "un primeiro paso, mais insuficiente" e volveu apelar a accións máis "drásticas", como o confinamento, "para loitar contra o descontrol do virus", visto o "récord de contaxios e de falecementos", que onte chegaban aos 951. Tamén, o BNG reclamou axudas para o sector hostaleiro, cuxo "confinamento" sen apoio previo representa, en palabras de Pontón, "unha nova proba da improvisación coa que actúa o Goberno do PP". Tamén o PSOE demanda, fronte a "improvisación" da Xunta, un plan extraordinario de axudas directas aos sectores afectados polo fechamento e exixe reforzos para a Atención Primaria e os equipos de rastrexadores e de realizacións de PCR Para o sector hostaleiro, a suspensión da actividade resulta, segundo advertiron onte varios representantes, "desproporcionada" e supón un "disparo na sen" para uns negocios que xa se atopan ao límite e que reclaman ao Goberno galego un plan de rescate urxente. Hostalaría e restauración As novas indicacións fechan estes negocios nos 60 concellos con maior incidencia da pandemia por un período previsto dun mes. A única actividade posíbel será, tanto para restaurantes como para bares e cafetarías, o servizo a domicilio e de recollida. "Pedímoslles grandes esforzos para contribuír a mitigar e reducir os contaxios. Pido sensibilidade cun sector ao que impedimos traballar e obrigamos a fechar sen alternativa", sinalou Feixoo, que adiantou que o Consello da Xunta desta mañá avaliará "novas medidas para este sector e os seus traballadores". Comercio As pautas non atinxen a actividade comercial, que poderá seguir funcionando coas limitacións de capacidade que tiña até o momento en todo o país. Si se estabelece, a nivel xeral, unha redución, até 30% da capacidade, das persoas que poden ocupar os espazos comúns das grandes áreas comerciais, mentres que no interior dos negocios destes recintos o límite mantense en 50%. Deportes e cultura Os municipios afectados polas novas normas verán limitada a actividade deportiva á de orde individual. En canto á cultura, as medidas seguen a permitir a actividade, mais os recintos –cines, teatros, auditorios...– deberán restrinxir a 50% o acceso de público sentado, sen sobrepasar as 30 persoas en interior e as 75 en exterior. Transporte e mobilidade Os concellos onde se aplicarán as últimas decisións terán restrinxida a entrada e saída agás por causas taxadas, como son as laborais, educativas e de coidados. Ademais, como medida xeral, a Xunta aplicará desde mañá unha redución das capacidades no transporte público non escolar, onde só se poderá ocupar 50% dos asentos e 25% do espazo para viaxar de pé. No caso do transporte interurbano, a limitación será de 50% da capacidade. Segundo xustificou Feixoo, a restrición non afecta o transporte escolar porque neste os asentos están xa asignados ao alumnado que pode empregalo desde o inicio do curso. Residencias Nas residencias de maiores, con xa máis de 750 casos entre persoas usuarias e persoal, a Xunta artella tamén, a nivel de toda Galiza, unha limitación das saídas de residentes fóra dos centros. Mantéñense polo momento as visitas de familiares nas condicións de distanciamento e hixiene que levan funcionando nos últimos meses. [Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí] |
NOS_4396 | A Inspección de Traballo advirte mobbing, psicoterrorismo e acoso laboral no trato de Autobuses de Calo á condutora Nélida Pisco. A CIG reiniciará as mobilizacións e exixe á Xunta de Galiza que asuma a súa responsabilidade | A Inspección de Traballo vén de emitir unha acta de infracción contra a empresa Hedegasa -Autobuses de Calo- valorando a súa actitude contra a condutora, Nélida Pisco, "como constitutiva de mobbing, psicoterrorismo e acoso laboral", segundo vén de anunciar a CIG. Esta traballadora vén padecendo desde hai tres anos todo tipo de discriminacións e acoso,"chegándose mesmo ás agresións físicas, por pretender exercer o seu dereito a ser nai e condutora desta empresa de transportes". Ante isto, a CIG anunciaba que reiniciará as mobilizacións, exixindo da Xunta de Galiza a súa intervención neste asunto que considera de extrema gravidade. p O caso de Nélida Pisco non é un máis, afirman desde a central nacionalista. Trátase dun caso paradigmático de discriminación laboral por cuestión de xénero. Así, Margarida Corral, secretaria confederal de Muller da CIG lembra que esta acta da Inspección chégalle á traballadora tras padecer "todo tipo de discriminacións, de situacións de violencia psicolóxica extrema, de comportamentos hostís, de acoso e mesmo de agresións físicas, sen que nin por parte da dirección da empresa, nin da Dirección Xeral de Transportes e Mobilidade da Xunta de Galiza, responsábeis da concesión de licenzas públicas das que desfruta a empresa, teñan avanzado paso algún para pór fin a esta situación". A condutora padeceu durante 3 anos todo tipo de discriminacións, de situacións de violencia psicolóxica extrema, de comportamentos hostís, de acoso e mesmo de agresións físicas Proposta de sanción Tal é así que a acta emitida pola Inspección de Traballo, tras tres meses de actuacións, "é demoledora". Dá por comprobados todos os feitos e, alén de cualificar a súa actuación como constitutiva de mobbing, fai unha proposta de sanción. Ante isto, Inácio Pavón, representante da FEGAMT-CIG, exixe da Xunta de Galiza a súa inmediata intervención. Lembra que "é a Consellaría de Traballo e Benestar a quen lle corresponde cuantificar economicamente a sanción" -que pode ir desde os 6.000 até os 187.000 €, en función da súa gravidade- e que "non é a primeira ocasión na que quedan no caixón, pasándose os prazos legais e quedando se efecto para as empresas infractoras". Subliña que a CIG ante a gravidade dos feitos, non pasará tampouco porque se lle aplique unha sanción pequena e lembra que Hedegasa é unha empresa "potente", que mesmo ten a concesión de parte do transporte metropolitano de Madrid. Lembra ademais que foi a Xunta é responsábel da concesión a Hedegasa, que a prorrogou en abril de 2010, por outros 10 anos, e que xustamente unha das cláusulas era a contratación de mulleres, cando a única condutora segue a ser Nélida Pisco. Neste sentido, acusa á empresa de dar cobertura moral a unha situación de acoso laboral "máis que demostrado" á que se engade unha agresión física -pendente de xuízo-. Considera que isto convértea en "responsábel moral", máis cando esa agresión é froito "da situación que a empresa creou, denigrando á traballadora e deixándoa á marxe dunha situación laboral normal". Anuncia que a CIG reiniciará as mobilizacións, en suspenso a petición da propia Inspección e por mor dos intentos de negociación entre Hedegasa e a traballadora. Negociacións que non chegaron a ningún acordo, segundo a propia Inspección "pola posición inflexíbel da empresa". Adianta, ademais, que a CIG non vai rematar aquí coas actuacións legais, denunciando o acoso laboral no xulgado do Social e que unha vez se teña a sentenza se iniciará o procedemento pola vía penal "solicitando as máximas penas para os responsábeis directos desta situación, que son os máximos responsábeis da empresa". Tres anos de acoso constante A secretaria confederal de Muller lembra que a situación de acoso comezou no ano 2009, tras Nélida solicitar as vacacións e unha redución de xornada para coidar á súa filla, logo de incorporarse da súa baixa de maternidade. A empresa negoulle ambos os dereitos o que provocou a presentación dunha demanda no Xulgado do Social na que se lle dá a razón. Durante todo este tempo, no que persistiu a situación de acoso e mesmo cunha "agresión machista por parte do encargado da empresa", en decembro de 2011, a empresa intentou que a traballadora abandonara o seu posto de traballo, asegura Corral. "Mesmo recibiu ofertas económicas", engade Pavón, pero ela o único que quere, e así o afirma, é seguir sendo condutora de autobuses mileurista, manter o seu posto de traballo e poder coidar á súa filla". |
NOS_4060 | Cun acto na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela presentouse o mércores día 16 o libro solidario O Neno Can, escrito conxuntamente por Fina Casalderrey e Francisco Castro e ilustrada por Patricia Castelao. | O neno Can, escrito conxuntamente por Fina Casalderrey e Francisco Castro, é unha iniciativa conxunta da Editorial Galaxia e Unicef Galicia e está ilustrado por Patricia Castelao. As dúas entidades uníronse co fin último de sensibilizar os máis pequenos sobre os dereitos da infancia. Na presentación aos medios interviñeron ademais dos escritores -que leron fragmentos do libro-, Pilar Sampil, xerente da Editorial Galaxia, e Manuel Sánchez Macho, presidente de Unicef Galicia. Os autores, dous referentes da Literatura infantil e xuvenil, escribiron xuntos e gozaron da experiencia de darlles voz a Aakesh, Nadim, Altair, Leila, Carlos e a outros moitos nenos e nenas de todo o mundo que ven vulnerados os seus dereitos máis básicos. A experiencia para eles foi única pois é froito de moitos correos electrónicos e moitas horas enriquecedoras. Cando escribían pensaban neses nenos aos que lles berran as tripas, algo contra o que loitar, algo que non debera suceder. Entre as miradas cómplices dunha escrita rica e creativa de fermosas e estilizadas ilustracións, e precedidos de cada un dos dereitos dos cativos, os contos do O Neno Can imprímense coa esperanza de que os milleiros de nenos e nenas do mundo teñan acceso a un comer, soñar e ser felices. |
NOS_50223 | Conviven nas redes os cancelos #DíadaPatria e #DíadeGalicia. Eis algunhas mostras. | Vémonos en Compostela. Bo día irmáns!#PatriaGalega #Galiza pic.twitter.com/6hAUuifn4s— senegalego (@CheikhGade) 25 de xullo de 2017 ▶️ Aquí puedes ver la felicitación a los gallegos y gallegas del secretario general del @PSdeG, @G_Caballero_M. #DíadeGalicia ¡Parabéns! pic.twitter.com/bjPsuxxGfN— PSOE (@PSOE) 25 de xullo de 2018 Bo día da #PatriaGalega #25dexullo Aquí unha fermosa ilustración da Galicia de @BarroDesign pic.twitter.com/Ex0LhdI3ze— Celia Torres Bouzas (@CeliaTorresBo) 25 de xullo de 2017 💙 Feliz #DíadeGalicia! 💙 pic.twitter.com/rHys81yY4u— RC Celta (@RCCelta) 25 de xullo de 2018 25 de Xullo bandeira galega o vento #diadapatriagalega #DiadeGalicia pic.twitter.com/hbCs1a3t5o— Xurxo Lobato (@XurxoLobato) 25 de xullo de 2018 #Deportivista, feliz #DíaDeGalicia! pic.twitter.com/RkXLJfAwH7— RC Deportivo (@RCDeportivo) 25 de xullo de 2018 Aquí está, en pé, un pobo orgulloso de seu no #DiaDaPatriaGalega. #SumarPorGaliza pic.twitter.com/KeiVWNI2EC— BNG (@obloque) 25 de xullo de 2018 Non cabe a xente xa na Quintana. #DiadaPatria https://t.co/R8CpRd7MzB— O PP foi condenado por corrupción (@xosemarcote) 25 de xullo de 2018 |
NOS_56001 | Chega ás librarías, como cada ano, o calendario Ceos Galegos, unha iniciativa de divulgación científica que xorde da man do físico X. Dosi Veiga. | Unha imaxe para cada mes leva os misterios do ceo nocturno aos fogares da Galiza. Así, o almanaque Ceos Galegos sustenta un proxecto dixital que vai gañando cada vez máis pulo e que demostra que se pode facer astronomía desde o noso país. Conversamos co seu editor, o físico e divulgador X. Dosi Veiga. Como naceu o proxecto Ceos Galegos? Hai 3 anos recibín como obsequio do Observatorio Europeo Austral un calendario cun formato semellante ao de Ceos Galegos. Pareceume un vehículo estupendo para facer divulgación científica baseándose en imaxes bonitas do ceo, co reto que implica falar diso na Galiza, desmontando o mito do mal tempo perpetuo. Púxenme en contacto con coñecidos que facían ese tipo de fotografía para ver se eramos capaces de acadar un mínimo de 14 imaxes en gran formato e elaborar esa publicación. Así xurdiu o calendario. Porén, o proxecto é máis amplo. Claro, a idea era facer un produto comercial que dese soporte a Ceos Galegos. O que pretendemos é introducir a divulgación astronómica nos fogares galegos. Tamén queremos demostrar a riqueza do noso ceo, que se pode facer astronomía aquí, así como atraer ao público novo á ciencia a partir da fotografía fermosa. Comezamos o calendario con poucos autores, os que eu tiña de man, e a partir de aí fomos capaces de producir ao longo do ano imaxes para alimentar a web, non de xeito diario, como fai a NASA, pero si cada semana. A través da astronomía podes chegar á bioloxía, á química, á arqueoloxía, á historia, á cultura clásica. Como se artella Ceos Galegos? O proxecto ten tres patas: o calendario, a web e os concursos. Na web todas as imaxes que publicamos van cun texto divulgativo. A idea sempre foi facer a imitación (entre aspas) do Astronomy Picture of the Day da NASA, que é unha referencia do mundo da astronomía do que goza todo o mundo, onde a xente envía imaxes do ceo que o organismo publica cada xornada. A nosa referencia é chegar a esa cadencia de todos os días, pero de momento é imposíbel para nós porque somos afeccionados. Na web poñemos ese texto divulgativo didáctico introducindo temas de astronomía, de ciencia, nos fogares. O calendario ten este mesmo espírito. Nesta terceira edición xa vai bilingüe en galego e en inglés. Intentamos explicar que se ve no ceo. Esa é a nosa teima. O ceo nocturno é fermoso, pero se entendemos o que estamos vendo é dobremente fermoso. Ademais, a través da astronomía podes chegar á bioloxía, á química, á arqueoloxía, á historia, á cultura clásica... É un campo marabilloso para divulgar porque resulta moi espectacular e visíbel, e dá pé a falar de todos estes temas. Iso é o que tratamos de reflectir na web. Por exemplo, unha foto dun monumento cunha orientación astronómica leva a falar de arqueoloxía. Como se xestiona? Notamos que hai interese pola web e tamén pola parte máis lúdica, os concursos, que están a mover moita xente Á parte das imaxes da web —temos publicado de 300 persoas diferentes— e do calendario, todo o que é a edición son eu só. É unha iniciativa persoal, pero coa idea de que sexa autosustentábel economicamente. O calendario é o que sostén o resto do proxecto. Se non dá para salarios —que tampouco foi creado para iso— polo menos que cubra os gastos básicos de web, desprazamentos xeográficos... Logo co tempo a idea é que haxa un equipo de xente, pero teremos que descubrir como facelo. É unha iniciativa vocacional e nunca sabes como vai responder o público. A publicación é moi irregular, un mes van cinco imaxes, porque o tempo material non dá para máis, e o seguinte 12 ou 14. Notamos que hai interese pola web e tamén pola parte máis lúdica, os concursos, que están a mover moita xente. Estes certames de fotografía permítenos, por unha banda, contactar con novos fotógrafos. Para eles, a publicación das súas obras facilita unha visibilidade extra e a estabilidade de que a imaxe fique nunha web e non desapareza como acontece nas redes sociais. Por outra banda, eses días igual 700 ou 1.000 persoas entran na web a votar, o que aumenta moito a difusión do proxecto. Fomentamos ese aspecto lúdico agasallando, por exemplo, calendarios ou libros. Aumentar o público axúdanos ao obxectivo fundamental de expandir a mensaxe. |
NOS_4944 | Abonda con reparar na represión que seguiu a revolución galega da segunda metade do século XIV para caer na conta do alcance da mesma. O uso indiscriminado do terror contra a poboación botando man de tropas mercenarias francesas ou o exilio en Portugal e en Inglaterra de centos de galegos son exemplos significativos da dimensión desta revolta. Achegamos aquí a crónica dos exilios galegos do século XIV. Eis un extracto da peza, publicada no número 343 do semanario en papel Sermos Galiza. | O proceso de incorporación subordinada de Galiza ao espazo castelán só foi posíbel mediante o emprego da violencia. A morte en Sarria en 1230 do rei galego Afonso VIII, cuxo reinado se caracterizou por un aberto enfrontamento con Castela, abriu a porta a anexión do país polo seu fillo Fernando III após violentar os dereitos da súas irmás dona Dulce e dona Sancha, designadas polo pai para sucedelas no trono e que representaban os intereses da nobreza galega e dun emerxente sector mercantil. A defensa dunha Galiza arredada de Castela, unida a Portugal, hexemónica no espazo ibérico e ligada aos pobos atlánticos mobilizarán o país contra o reis alleos ao longo do século XIII, primeiro en defensa dos dereitos das herdeiras lexítimas personificadas nas fillas de Afonso VIII e posteriormente na proclamación como rei de Galiza do fillo de Afonso X, Xoán I. A proposta programática defendida polo partido galego durante ese períodoserá retomada á volta do século XIV polos núcleos reitores da nosa sociedade dirixidos de xeito indiscutíbel por Fernán Ruiz de Castro. A revolución galega do século XIV exemplifica a aposta das nosas clases dirixentes por seguir desenvolvendo as potencialidades nacionais do país fronte ao hexemonismo castelán que tentaba anulalas. Non foi a defensa da lexitimidade de Pedro I contra o seu irmán Henrique o elemento central que dinamizou a protesta galega a partir de 1366, senón o convencemento de que o primeiro representaba os intereses da maioría social galega. Movemento nacional popular A propia continuidade da rebelión galega durante practicamente vinte anos após a morte do monarca é unha proba definitiva sobre as motivacións reais dun movemento que respondía a vontade de tronzar a dependencia do país dunha Castela hexemónica na área peninsular que aspira a reforzar o seu dominio mediante a conquista dos outros reinos. Os sucesos da segunda metade do século XIV son a expresión dun movemento de carácter nacional popular que se alonga desde 1357 até 1386 con diversos protagonistas e liderados e que só pode ser derrotada pola acción violenta de forzas alleas a Galiza. A revolta galega só puido ser destruída pola represión. A partir da derrota en 1371 do exército galego comandado por Fernán Ruiz de Castro en Porto de Bois lévanse adiante unha serie de actuacións, sumarias e brutais, dos exércitos casteláns de Pedro Sarmiento e de Manrique contra as zonas centrais da resistencia, como Tui,Lugo ou a Ribeira Sacra, ao tempo que se procede á ocupación de numerosas localidades de importancia económica e estratéxica, empregando forzas de carácter mercenario. [Podes ler a información íntegra no número 343 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_53384 | Un monográfico sobre o músico autodidacta, chave para comprender o desenvolvemento da música contemporánea na Galiza. | O VIII Festival de Creación Musical Contemporánea Vertixe Sonora chega ao remate desta edición co ciclo monográfico Universo Macías: así pasen 25 anos, tres xornadas dedicadas a analizar e celebrar a figura de Enrique X. Macías cando se fan 25 anos do pasamento que conmocionou a toda unha xeración da intelectualidade galega. As xornadas inícianse hoxe, 6 de novembro, no auditorio Martín Códax de Vigo, nun contexto de dificultades para o mundo da cultura que "acaso nos achega un pouco máis a un compositor incomprendido, abocado ao autodidactismo, fillo da intuición, do estudo e da reflexión nun tempo no que as posibilidades de formación neste eido, na Galiza eran nulas", sinalan desde a organización. Con todo, Macías loitou contra os contratempos e non tardou en recibir encargos de fóra do seu ámbito máis próximo. O primeiro en chegar foi o de Radio Nacional de España ("Poema de Requiem"); anos despois, o goberno Finés convidouno como compositor-residente no Estudo Experimental da Radio en Helsinki. A partir de aí os éxitos comezan a sucederse a nivel internacional: Holanda, Cracovia, Francia, Italia ou Brasil recoñeceron o valor dun corpus de obras que o converteron nun dos compositores máis salientábeis da súa xeración que, ademais, traballou no Gabiente de Música Electroacústica de Cuenca, no Instituto de Sonología de Utrecht e no Groupe de Recherche Musicale de París. A súa obra foi programada nos máis importantes festivais europeos (Bienal de Venecia, Encontros de Música Contemporánea de Lisboa, Festival de Bourges, Semana Internacional Gaudeamus de Holanda, Festival Antidogma Música de Turín, Perspectives du XXeme Siècle de Radio France...). En Universo Macías Vertixe Sonora quere recoñecer e manter viva a súa figura, ao tempo que puxa por levar a música contemporánea a novos públicos e a outras xeracións. Así, ademais dos concertos programados, haberá oportunidade de escoitar voces como a do profesor Carlos Villar Taboada (Universidade de Valladolid), Roberto Oliveira (investigador e percusionista) e Paco Yáñez (mundoclasico). Entre os pratos fortes do monográfico destaca a presentación en exclusiva mundial dun documental de Manuel del Río sobre o seu traballo. |
NOS_22758 | O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) comezou os traballos para retirar do río Sil os vagóns do tren de mercadorías accidentado o pasado 28 de xullo ao seu paso por Carballeda de Valdeorras, e que se precipitaron ao leito fluvial o domingo cando se procedía á súa retirada. | A ese fin, na cuarta feira suspendeu nesta zona o tránsito ferroviario para desenvolver "en condicións de seguridade para os operarios e os medios auxiliares" as tarefas de recuperación, que se prolongarán varios días. Os labores para a restauración da zona chegan despois de que Adif anunciara unha investigación para aclarar como se precipitaron os dous vagóns desde a vía e depurar responsabilidades, no caso de que proceda. Tamén a Xunta vén de abrir unha investigación. Axentes ambientais da Consellaría de Medio Ambiente desprazáronse ao lugar para emitir o correspondente informe e estudar se houbo unha infracción nos feitos ocorridos. Igualmente, a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade anunciou, tras facerse público o suceso, accións para esclarecer os feitos, e requiriu a Adif información sobre o protocolo de actuacións que se está levando a cabo para a retirada da parte do convoi que se precipitou cara ao río. Na xornada de onte, Medio Ambiente enviou aos ministros de Transportes, José Luis Ábalos, e para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, senllas cartas nas que pide que se tomen as medidas "oportunas" para evitar que a caída de vagóns dane o patrimonio natural da contorna. As cartas poñen de manifesto "a existencia dunhas imaxes nas que uns operarios arroxan uns vagóns ao río". Nelas vese como unha máquina escavadora empurra os dous vagóns e un deles deslízase polo terraplén, mentres que o outro queda envorcado á beira da vía. Sen autorización Precisamente, os indicios dun posíbel delito ambiental levaron onte a asociación ecoloxista Adega a pedir á Fiscalía que abra unha investigación por presunto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente pola intervención para retirar o convoi. Segundo advirte a organización, a estrutura, de gran tonelaxe, "está composta por metais de diverso tipo" e "podería conter materiais ou substancias que son moi perigosas para o ecosistema acuático, como é o amianto". A asociación considera que o ocorrido "contravén todo o marco normativo vixente" en materia ambiental, de residuos, de planificación hidrolóxica e de protección das augas e sinala ademais que as actuacións en dominio público hidráulico requiren autorización previa do organismo responsábel da conca, neste caso, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Na xornada de onte, este organismo emitiu un comunicado no que asegura que non deu a súa autorización á manobra para retirar os vagóns do tren accidentado en Carballeda de Valdeorras nos termos nos que o Adif comunicou e que iniciou dilixencias previas pola caída ao leito do Sil de dous vagóns. Nel, o seu presidente, José Antonio Quiroga, apunta que o propio domingo se abriu "unha instrución" que segue en marcha. "Contamos con que, ao final da semana seguinte estea instruído e incoado o expediente, que ten que pasar por unha sanción económica e, o máis importante, pola restitución do dano ambiental causado, incluída a retirada dos vagóns do dominio público hidráulico", indica. |
NOS_45738 | A portavoz do BNG incide en San Cibrao que "a solución" é nacionalizar Alcoa. | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, subliñou esta segunda feira en San Cibrao (Cervo) que "a solución" para Alcoa, cuxa dirección pretende pechar a planta de aluminio da Mariña, é "a nacionalización". Despois de trasladar o apoio da formación aos traballadores da fábrica, xunto cunha delegación do Bloque, Pontón insistiu en que "a solución" para manter o emprego é "a intervención pública". En declaracións aos xornalistas durante a visita, criticou a multinacional por mostrar unha "folla de ruta moi clara", para pechar a factoría "única e exclusivamente por decisións empresariais". Ante isto, instou aos gobernos galego e español a "estar á altura", posto que "teñen na súa man" o mantemento dos postos de traballo e a actividade. "A solución é moi clara, como defendeu o BNG nos últimos meses: unha intervención pública, unha nacionalización, que garanta que as cubas non pechan e que a comarca vai seguir tendo futuro", afirmou. Neste escenario, esixiu aos presidentes galego e español "que deixen de esconderse", pois levan "parados desde hai unha semana" e "é o momento dos feitos". Após se frustar a venda da fábrica a Liberty, o Goberno estatal tratou de executar esa compra a través da SEPI, pero Alcoa negouse. |
NOS_14687 | Ciudadanos sería segunda forza. PP e Podemos baixan e Vox pedería case a metade dos votos. O independentismo catalán, ECR e JxC, mantería os resultados do 28 de abril. | O barómetro de xuño do CIS ponllo en bandexa a Pedro Sánchez se o presidente quer repetir eleccións: o PSOE subiría até case 40% dos apoios en intención directa de voto. Son 11 puntos máis que os que o Partido Socialista logrou nas eleccións do 28 de abril. Ese 39,5% é, alías, unha fenda considerábel a respecto do que o CIS apunta como segunda formación máis votada, Ciudadanos, que obtería 15,8% dos votos, case os mesmos que o 28A mais superando o PP, ao que a sondaxe outorga 13,7% dos sufraxios, tres puntos menos que os que atinxiu nos comicios de hai case dous meses (16,8%). O barómetro tamén aponta unha baixada de Podemos, do 14,4% daquela cita electoral a 12,7% do que lle atribúe o CIS de realizarse agora as eleccións. E Vox desplomaríase pasando de 10,3 a 5,1% dos votos: perde pois a metade dos apoios. A suma de PSOE e Podemos dá máis de 52% dos votos mentres que a de Cs, PP e Vox chega só a 34,6%. ERC e Junts per Catalunya manterían os resultados: case 4% para ERC e 1,2% para Junts per Catalunya, o que é máis un indicador de que o apoio ao independentismo non sofre desgaste co paso do tempo. Tamén o apoio ao nacionalismo (PNV) e independentismo (EH Bildu) mantense case que inalterábel. |
NOS_42762 | O trunfo de Chanel non sorprendeu no negocio musical. A canción finalmente triunfadora do festival de Bedidorm foi ofrecida nos meses pasados por TVE a diferentes plataformas sen éxito. Aínda así e malia o rexeitamento do público saíu vencedora. | Chanel Terrero entra no perfil ideolóxico do que manda no Estado español. Unha filla do exilio cubano, criada en Catalunya pero español falante e ligada ao mundo madrileño do negocio musical. Malia que non se lle coñecen declaracións políticas públicas, fontes do sector das produtoras sinalan a Nós Diario que "o exilio cubano de Miami ten un grande peso no mundo da música, até o punto que non hai artista latino que desexe triunfar no mercado americano que non deba pasar polas súas mans. Este exilio é dun anticastrismo visceral e Chanel pode ser presentada como "outra vítima" do réxime cubano". Catalunya continúa marcando a axenda política no Estado. En plena ofensiva contra as políticas lingüísticas da Generalitat unha opción como a de Chanel non ten fallo. Cantante en español, persoa cosmopolita, muller que ten que marchar a Madrid para desenvolver a súa carreira artística e un exemplo de convivencia equilibrada entre dúas identidades que se complementan. O mundo da industria musical madrileña O mundo de Chanel é o da industria musical madrileña conectada ao mercado americano polas produtoras estadounidenses e moi particularmente con aquelas ligadas á musica latina con sede en Miami. Tanto é así, que o groso da súa traxectoria musical desenvolveuse no campo das grandes producións de musicais, onde destacan empresarios como Nacho Cano, antigo compoñente do grupo Mecano e persoa ligada ao PP. O nome de Chanel apareceu no reparto de montaxes musicais como "Mamma Mia!", 'El Rey León', 'Nine', 'Flashdance', 'El guardaespaldas' ou 'Fiebre Hamilton', sempre cun papel secundario e sen ningún tipo de destaque. Ao tempo, fillo aparicións esporádicas nalgúns capítulos de series televisivas e nalgúns programas de entretemento. A cantante cubano catalá coincidiu nun destes programas, concretamente en "OT" e "Tu cara me suena", con Miryam Beneditet coreógrafa empresaria é un dos tres membros de nacionalidade española do xurado do festival de Benidorm que castigou co seu voto ao grupo galego Tanxugueiras. Un xurado baixo sospeita Benedited é unha significada representante desa industria musical con sede en Madrid e non agocha a súa relación con Chanel. As mostras da relación dun é outra pódense seguir en múltiples fotos partilladas por ambas nas redes sociais. A ligazón de Benedited con Eurovisión vén de vello. Sen ir máis lonxe, na edición de 2015 do festival encargouse da actuación de Edurne que rematou no posto 21 responsabilizándose noutros momentos das coreografías dos representantes españois, sempre con estrepitosos fracasos. A candidatura de Chanel está promovida pola grande produtora estadounidense BMG. A súa peza "Slomo" foi composta por Keith Harris, un dos grandes empresarios da industria discográfica e Leroy Sánchez, compositor do tema de Blas Cantó, que cun rotundo fracaso representou o ano pasado ao Estado español en Eurovisión. O negocio das produtoras As fontes consultadas por Nós Diario sinalan que o negocio destas compañías está en colocar o produto no mercado e ficar cos dereitos. "Cando máis descoñecida sexa a interprete maiores son os beneficios", conclúen. Os resultados eurovisivos de Chanel están por coñecer. Porén, persoas da industria conectadas por Nós Diario apuntan a que "as súas votacións van ser semellantes dos representantes españois dos últimos anos". Neste sentido, unha delas sitúa o problema en que "o produto español non gusta en Europa porque é moi anticuado e tamén provinciano". "Chanel será outro xoguete roto da picadora humana da industria musical española. Outra Rosa, cuxa actividade é vivir das exclusivas das revistas do corazón ou outro Rodolfo Chikilikuatre, do que ninguén se lembra", afirma un coñecido produtor musical a Nós Diario. |
NOS_43577 | "Confírmase que existe unha tendencia á alza", asegurou a coordinadora da campaña nacionalista. | A coordinadora da campaña do BNG para estas eleccións, Goretti Sanmartín, non valorou as enquisas realizadas a pé de urna, que apuntan cara a unha subida do BNG entre os 15 e os 22 escanos cando nas pasadas eleccións conseguira 6. A nacionalista agradeceu a confianza de tantas persoas depositada no BNG e asegurou que a organización "non as vai defraudar" e "vai estar aí para apoiar todas as galegas e galegos". "Confírmase que existe unha tendencia á alza", sostivo Sanmartín, quen confirmou que nesta xornada "hai un montón de vibracións positivas", mais que a valoración correrá a cargo da candidata Ana Pontón cando estea avanzado o escrutinio. "Isto é obra dun equipo e dá boa conta da capacidade que tivo o BNG para transmitir a súa mensaxe a sectores moi importantes da poboación", argumentou, para confirmar que a formación ten "moitísima satisfacción" con esta campaña. Sanmartín mandou "todo o agradecemento ás máis de 4.000 persoas que estiveron de interventoras e apoderadas nestas eleccións, a militantes e a persoas simpatizantes que levan unha xornada de intenso traballo nas mesas electorais" Non esqueceu a comarca da Mariña e a "todas as persoas que o están pasando mal co rebrote do coronavirus". Así mesmo, criticou que a Xunta "tiña que ter garantido os mecanismos para que o conxunto do país puidese acudir votar". |
PRAZA_2060 | Falamos con David Paz, un dos integrantes do equipo fundador da Casa Tomada, o Centro Social de Intervención Artística que este mes de agosto pechou as súas portas. Foi tan só un 'deica logo'. Un novo equipo comezará alí un novo proxecto que manterá os obxectivos iniciais do espazo. | "Deica logo, raparigos! Despois de dous anos marabillosos, impagábeis, plenos de actividade, vémonos abocados a un descanso". A comezos de agosto o equipo fundador e xestor do Centro Social de Intervención Artística A Casa Tomada, localizado na estación de tren da Coruña, anunciaba o remate do proxecto. Facíao polo desgaste, pola imposibilidade de manter a intensa actividade que caracterizara o espazo dende o verán de 2013, e que ata ese momento desenvolveran de forma completamente voluntarista, sacando horas de aquí e de alí. "Antes de facer as cousas a desgana ou de calquera maneira, preferimos parar e valorar o estado da cuestión desde a non-presión dunha programación abafante e dun ritmo de contactos e propostas desbordante", destacaban. Era, como dicían, un deica logo, non un adeus. O relevo xa estaba en marcha, e un novo equipo, que xa estivera colaborando na Casa, faríase cargo da xestión, "á súa maneira, coas súas ideas", pero mantendo o carácter aberto e autoxestionado do centro e a vontade de colaborar e difundir iniciativas sociais e artísticas. Un equipo que desvelará nos vindeiros días algúns aspectos do que será o seu proxecto para a Casa Tomada. Foron dous anos de concertos, artes escénicas, cinema, eventos infantís, simposios, xornadas de divulgación, exposicións, coloquios e festas, que nun período moi breve converteron a Casa Tomada nun espazo imprescindible na vida cultural e social da Coruña. En total, sumou neste tempo máis de 8.000 persoas socias, que asistiron a algunha das súas actividades. "Foi un auténtico pracer participarmos da revitalización cultural dunha cidade que tanto queremos. Foi outro pracer seguir o ronsel doutras iniciativas que nos ilusionaron nos últimos anos e que nos marcaron o camiño nesta andaina. Foi un pracer inmenso vivir unha resposta sen precedentes na cidade para un proxecto autoxestionado que, boa noticia, resultou totalmente sustentábel do punto de vista económico", destacaban na súa despedida. Unha despedida que se fixo efectiva nunha festa celebrada o pasado 29 de agosto. David Paz, un dos fundadores do espazo, recoñece que nesa festa de despedida "acumuláronse as emocións". Por unha banda, di, "o traballo destes dous anos viuse recompensado nese acto simbólico". "Non só ese día, senón dende que anunciamos publicamente o final desta etapa, recibimos pola rede e en persoa moitas mensaxes de ánimo, de agradecemento, de cariño, mesmo de entusiasmo, por todo o que tentamos facer neste tempo", destaca. A esa alegría uniuse "unha certa sensación de mágoa por deixar un proxecto, un fillo que fomos creando entre todos, e sen tempo para velo crecer". "Custou moito botar a andar este proxecto, comenzando polo rescate dun local que estaba ruinoso, que estaba destinado ao esquecemento. O que quixemos foi responder a ese grande apoio de recibíramos a través da campaña de crowdfunding inicial, que superou os 4 mil euros". David Paz salienta que o máis importante e que "o proxecto callou na cidade", algo que queda demostrado "pola vontade deste grupo de persoas que continuar con el" David Paz salienta que o máis importante e que "o proxecto callou na cidade", algo que queda demostrado "pola vontade deste grupo de persoas que continuar con el". "Son persoas que foran colaborando connosco e que cando viron que nós nos tiñamos que facer a un lado, decidiron dar un paso adiante e continuar cun proxecto en base aos seu principios básicos, de colaboración cultural e artística na cidade e sen ánimo de lucro". "Vemos ese pouso, tamén, no feito de que a pesar de que hai semanas que xa non temos actividade, seguimos recibindo peticións de grupos, de artistas, de colectivos, para empregar a Casa, porque o resto da oferta que hai cidade non lles chega ou non se axusta ao que queren", engade. As eivas do proxecto É tempo de mirar atrás de facer balance dos acertos e das fortalezas da Casa Tomada, e tamén da súas eivas, de proxectos e ideas que non puideron ver a luz, en boa medida por insuficiencias estruturais ou de financiamento. "Dende o comezo tiñamos ideas que quedaron non tinteiro por iso mesmo", destaca. "Tivemos limitacións de financiamento, por suposto. Recibimos axudas da Deputación da Coruña, pero que se conceden para un período máis longo, de cinco anos, e que esixen un desembolso económico inicial moi grande, que logo recuperas. Iso limitaba moito o noso labor, tamén a mellora do local ou a aposta pola realización de actividades permanentes", explica. "Tamén nos faltou conseguir un equipo estable, máis amplo, para colaborar na xestión, e que puidese rotar. Espero que nesta nova etapa se logre" "A falta de persoal e de tempo tamén limitou as nosas posibilidades de comunicación, aínda que tiñamos un proxecto moi potente de difusión a través das redes. Esas eivas na comunicación pode que nos impedisen chegar a moita xente. De feito, debido a que a nova do peche se difundiu bastante, iso fixo que nesas semanas se achegase a nós moita xente que non escoitara falar da Casa nos dous anos anteriores", di. "Tamén nos faltou conseguir un equipo estable, máis amplo, para colaborar na xestión, e que puidese rotar. Espero que nesta nova etapa se logre; nós imos estar aí, tamén, colaborando no que poidamos", engade. A saúde da cultura na cidade Asistimos nos últimos anos a unha revitalización cultural da Coruña? "Na cidade vexo moita vontade de articular este tipo de propostas. É certo que estas iniciativas moitas veces nacen e morren, e nós somos un exemplo diso. Pero o importante nestes casos é que haxa relevo, vontade de continuidade", destaca David Paz. "En Montealto acaba de nacer A Comuna" -sinala- "E hai varios exemplos na cidade, xurdidos nos últimos anos, e que seguen a nacer, de iniciativas culturais, artísticas e sociais, ou de librarías, mesmo en barrios coma a Cidade Vella que tradicionalmente quedaban un chisco máis esquecidas". "Ao mesmo tempo, tamén desaparecen outras iniciativas, como LaTuerka27, hai luces e sombras", sinala. "Na cidade vexo moita vontade de articular este tipo de propostas. É certo que estas iniciativas moitas veces nacen e morren, e nós somos un exemplo diso. Pero o importante nestes casos é que haxa relevo, vontade de continuidade" "A nivel oficial ou institucional neste momento a cidade goza dunha saúde excelente. A nivel institucional pouco máis se pode facer", destaca. "Se cadra o que falta, a nivel de movementos sociais ou de iniciativas privadas, é articulación. Esta falta de articulación é unha debilidade para todos. Hai relacións puntuais, todos sabemos dos uns e dos outros, pero non hai unha articulación estable. Habería que afondar aí", destaca. Unha cultura autoxestionada A actividade da Casa Tomada na Coruña, do Liceo Mutante en Pontevedra e doutros espazos autoxestionados veu osixenar nos últimos anos a cultura galega. Máis importante aínda que a súa función como espazos físicos para a organización de eventos foi se cadra o seu papel como punto de encontro, como xerador de redes. Nodos abertos, núcleos de experimentación e de democratización, un campo para o traballo conxunto de creadores e movementos sociais. "Creo que a cultura en Galicia pronto non se vai entender, non se entende xa, sen este tipo de espazos e iniciativas", destaca David Paz. "Estes últimos anos anos estiveron marcados polos proxectos autoxestionados, por proxectos nos que as persoas deciden dotarse do que necesitan para exercer o seu ocio, pero tamén para a súa actividade laboral, para a súa vida" "Estes últimos anos anos estiveron marcados polos proxectos autoxestionados, por proxectos nos que as persoas deciden dotarse do que necesitan para exercer o seu ocio, pero tamén para a súa actividade laboral, para a súa vida", afirma. "Moitos artistas entenden que a súa forma de traballar e de crear, as súas actuacións ou obradoiros, non encaixa nas estruturas que na actualidade poñen en marcha as institucións culturais oficiais", explica. "Todas as opcións culturais existentes nun lugar, nunha comunidade, son necesarias, todas cumpren un papel, e tamén as iniciativas autoxestionadas", di. "Estivemos nalgunha festa de apoio ao Liceo Mutante, eventos nos que participou moita xente, e alí decatábaste da forza destas iniciativas, con capacidade para vincular cultural e socialmente dúas cidades non tan próximas na xeografía", comenta. "Un vínculo e un traballo conxunto que resultou moito máis sinxelo e automático que se o fixesen dúas institucións oficiais. Sobre todo porque compartimos a forma de traballar e a forma de entender a cultura ou a arte", engade. |
PRAZA_19937 | ENTREVISTA A emigración galega, a División Azul e os símbolos nacionais son o centro dos tres últimos libros do historiador Xosé Manuel Núñez Seixas. | O catedrático -en excedencia- de Historia Contemporánea da USC e, dende o 2012, profesor na Universidade Ludwig-Maximilian de Múnich Xosé Manuel Núñez Seixas vén de publicar Los colores de la patria. Símbolos nacionales en la España Contemporánea, (Tecnos), un ensaio que escribiu en coautoría con Javier Moreno Luzón. Hai uns meses sacara outros dous libros, Camarada Invierno. Experiencia y memoria de la División Azul (1941-1945) (Crítica,) e O soño da Galiza ideal. Estudos sobre exiliados e emigrantes galegos (Galaxia). Aproveitamos unha breve estancia súa en Compostela, onde presentou Los colores de la patria, para entrevistalo por estas tres obras. O soño da Galiza ideal xunta textos escritos en distintas épocas. Un deles analiza a polivalencia da figura de Rosalía como símbolo da emigración. Por que foi así? Rosalía non foi emigrante; pero tanto ela como Murguía tiñan moitos vencellos coa comunidade galega en Cuba, que Murguía consideraba a mellor expresión da sociedade civil galega. Por que Rosalía foi un símbolo polivalente? En primeiro lugar pola calidade literaria dos seus textos. E ademais porque, partindo dun ambiente concreto, nos vales do Ulla e do Tambre, foi quen de dar aos seus textos unha dimensión universal. E non é só unha cuestión de saudosismo: hai na súa literatura unha interpretación crítica das causas sociais da emigración. Tamén conta o feito de que, por exemplo, os grupos corais na América cantaron dende moi axiña as súas composicións. A primeira edición das súas obras completas foi moi coñecida fóra de Galiza e de España. Rosalía é, así, un símbolo ollado desde moi diferentes perspectivas. Os nacionalistas reivindicaron a súa obra en galego; os profranquistas, máis ben a súa obra en castelán. Chegaron a afirmar que os seus poemas en galego expresaban só resentimento contra o Estado. "Rosalía é, así, un símbolo ollado desde moi diferentes perspectivas" A súa obra podíase interpretar, así, dende o saudosismo morriñento, dende a poesía de combate, desde unha dimensión feminista; pero tamén podíase ver nela un precedente da revolución social, un símbolo da restauración da patria liberada trala derrota do fascismo ou, dende unha perspectiva pseudo-rexionalista, só unha apelación á morriña. Outro texto distingue emigrados de exiliados e explica que os exiliados galegos foron pouco visibles. Por que? Aí hai varias cuestións. O exilio galego, como colectivo dotado de institucións representativas, nos estudos clásicos sobre o exilio republicano español é pouco visible. Os galegos eran cuantitativamente poucos. Galiza xa está ocupada polos sublevados en xullo do 1936. Sendo poucos, a súa capacidade para modelar ao seu xeito as colectividades de emigrantes que xa existían antes da súa chegada foi escasa. Como moito, pódense integrar nas directivas das sociedades de de emigrantes e estabelecer alianzas con aqueles que simpatizaban coa República en diferentes graos. Ademais, a maioría dos exiliados galegos están en Bos Aires ou en México. E Bos Aires, a partir de mediados dos 40, é un centro secundario do exilio republicano español. Onde se elabora a estratexia política é en Francia e en México, que é onde os exiliados galegos teñen menor presenza grupal organizada. E o Consello de Galiza ten unha capacidade de influencia sobre a política do exilio republicano moi limitada. "O Consello de Galiza ten unha capacidade de influencia sobre a política do exilio republicano moi limitada" Tamén analiza o exilio en Europa e a situación era semellante: poucos e mal organizados. Por que? Estiveron organizados, sobre todo, polo PCE, con Líster e outros líderes. Interveñen dous factores. Un, que ademais de ser poucos, moitos deles tentaban marchar para América á que podían, no 1939-40 e despois da fin da II Guerra Mundial. Nun país de emigrantes todo o mundo tiña parentes emigrados e a maioría daqueles achábanse na América. O PCE é, como dicía, o que máis os agrupa. Máis adiante, tamén a UPG, que eran cuantitativamente poucos pero cualitativamente importantes. Militantes que estaban no exilio e que volven a Galiza constitúen xermolos que serán relevantes na organización dos partidos galegos na Transición. "Os exiliados en Europa eran poucos e moitos deles tentaban marchar para América á que podían" Castelao tivo unha evolución na súa maneira de ver os emigrantes. En que sentido? Castelao foi emigrante de neno. O pai era emigrante, e retornado de relativo éxito, que foi alcalde de Rianxo dúas veces. Pero non emigrou á grande cidade, senón ao interior arxentino. Cando Castelao retornou, con 14 anos, a imaxe que tiña da emigración non era a de Bos Aires ou a da Habana, das sociedades de emigrantes ou os centros galegos. Nese contexto, non ha estrañar que a súa imaxe fose negativa: endalí aquela afirmación de que en Galiza non se loita, senón que se emigra. "Castelao pensa que, se os emigrantes non entenden de partidos, mellor organizar unha Irmandade Galega plural, aberta, que poida integrar tamén os emigrantes económicos" Isto cambia a partir da guerra civil, en Valencia e Barcelona, cando sabe das iniciativas nas colectividades emigrantes a prol da República, e nomeadamente cando vai a Nova York. Porque coñece un tipo de emigrantes que son republicanos, e algúns deles galeguistas, con organizacións nas que ve un potencial transformador. Daquela tamén conclúe que, xa que os exiliados son poucos, e moitos non son galeguistas, polo menos que a colectividade galega de América se constituíse en referente de lextimidade alternativa da causa republicana e galeguista. Mais para el os emigrantes non entendían a política de partidos. De aí que fose mellor organizar unha Irmandade Galega plural, aberta, que poida integrar tamén os emigrantes económicos. Esa mudanza era produto das súas vivencias e dun cálculo estratéxico. A finais dos 40, porén, comezou a enxergar que unha parte das elites emigrantes, sobre todo nos centros galegos, amósanse acomodaticias co réxime. E algúns dos novos emigrantes que chegaban desde 1946 xa foran en parte socializados no réxime franquista e xa non simpatizaban na mesma medida coa República. Tamén houbo unha evolución en Eduardo Blanco Amor. Por que motivos? Moitas veces non se ten en conta que Blanco Amor pasou máis da metade da súa vida na emigración. É un personaxe polifacético e complexo. Primeiro é alumno de Vicente Risco, e chega a Arxentina coa encarga de Risco de formar un grupo galeguista en Bos Aires. Nunha primeira etapa era fidel aos postulados risquiáns: a raza, a terra, a historia, o espírito nacional… Mais ao pouco tempo fíxose republicano, no contacto con outros sectores da colectividade galega da Arxentina, de maneira que o seu galeguismo pasou a entenderse no contexto dun proxecto republicano e de progreso social. "Moitas veces non se ten en conta que Blanco Amor pasou máis da metade da súa vida na emigración" Mesmo se achegou ao socialismo, malia non ser xamais marxista. E acepta, como obxectivo, unha República cunha estrutura federal que recoñeza a autonomía de Galiza. Iso lévao a non entenderse cos exiliados galeguistas dos 40, entre eles Castelao. Non partilla a idea do Consello de Galiza de que a República había reconfigurarse en clave confederal. E pensa que son os emigrantes, e non os exiliados, os que teñen de marcar as políticas do exilio. Mesmo sufriu unha breve fascinación polo peronismo, que axiña abandonou. Cando volveu a Galiza, nos 60, non comungou coas ideas do nacionalismo de esquerda. Expresouse a prol da restauración dunha democracia descentralizada, ou dunha democracia na que Galiza fose autónoma. "Cando Blanco Amor volveu a Galiza, expresouse a prol da restauración dunha democracia descentralizada, ou dunha democracia na que Galiza fose autónoma" Mudando de libro, a Camarada invierno, de que xeito se alían a simpatía do fascismo español con Hitler coa demonización de Rusia no xermolo da División Azul? Un dos pais da idea da División Azul, Dionisio Ridruejo, recoñecía no seu diario de guerra, e recuncou niso anos despois, que os que foran a Rusia, coma el, non foran só por anticomunismo ou por anceio de aventura, senón porque eran partidarios do aliñamento de España co III Reich. Moitos falanxistas tiñan unha admiración sincera e xenérica por Hitler. Mais entre eses admiradores había tamén católicos, que agardaban que o ateísmo nazi fose algo pasaxeiro. Non gostaban do racismo nazi, mais para eles o antisemitismo era algo desculpable. Entendían que o "problema xudeu" xa fora resolto na España polos Reis Católicos, e que os alemáns debían debían resolvelo á súa maneira. Claro que, no 1941, aínda non había campos de exterminio, si de concentración. Era naquela altura difícil de imaxinar que o Holocausto puidese ocorrer. Mais a cuestión é que había moitos falanxistas que admiraban a Hitler, e moitos católicos que rezaban por el. "Había moitos falanxistas que admiraban a Hitler e moitos católicos que rezaban por el" Porén, os falanxistas eran fascistas, e por tanto nacionalistas españois. Por iso, eran fascistas á súa maneira, e non desexaban renunciar á tradición católica. Os fascistas que colaboraban cos nazis marcaban distancias co nazismo nisto e noutros aspectos. Cando os voluntarios españois viron as primeiras manifestacións da política de segregación racial nazi en Polonia oriental, aínda tiñan problemas para entender o que estaba a pasar. A posteriori quixeron afastarse e afirmaron que eles amosaron humanidade cos xudeus obxecto de persecución. O certo foi que observaron o que acontecía, e moitos tiveron algunha reacción de humanidade cara os xudeus; mais tamén partillaban un antisemitismo de caste cultural e relixiosa, non racial. "A maioría das memorias dos divisionarios non son negacionistas, pero si revisionistas" Mais, en xeral, todos eles admiraban a Alemaña nazi: a súa orde, pulcritude, o estoicismo dos seus habitantes, a súa solidariedade cos combatentes; igualmente, tamén gostaban do que interpretaban como xustiza social no III Reich. Había nesa visión unha dimensión de xénero: as mulleres alemás encarnaban o ideal fascista: conservadoras en valores pero máis abertas en costumes, sobre todo sexuais. A partir de 1945 hai máis matices, pero tampouco moitos. A maioría das memorias dos divisionarios non son negacionistas, pero si revisionistas: relativizaron as dimensións do Holocausto, e rebaixárono a unha crueldade máis da guerra, equiparábel ás violacións perpetradas polo Exército Vermello, os bombardeos aliados ou as bombas atómicas de Hiroshima e Nagasaki. O seu argumento era que os alemáns eran un pobo bo, que foi enganado por Hitler, e que os soldados alemáns loitaron con honra, agás as SS e similares. "O seu argumento era que os alemáns eran un pobo bo, que foi enganado por Hitler, e que os soldados alemáns loitaron con honra, agás as SS e similares" Cales son as motivacións dos divisionarios? Na análise do perfil, indica que é popular e interclasista, con predominio da clase media e media-baixa. É unha cuestión complexa. Eu penso, grosso modo, que hai un terzo que vai por convicción ideolóxica, porque son falanxistas, ou católicos, ou franquistas "de guerra", feitos durante a guerra civil; outro terzo vai por motivos económicos: a dobre paga, o feito de que así redimían tempo de servizo militar; e outro máis por ambición profesional: militares que queren facer méritos, como sarxentos e alféreces provisionais que querían ascender. Mais tamén interviña unha arela de aventura, de ver mundo, e unha certa inercia: un deixarse levar pola cultura de guerra herdada da guerra civil, o culto aos valores castrenses… "Mesmo no interior dos cuarteis, non está claro se se podía obrigar de todo aos soldados a alistarse" Mesmo no interior dos cuarteis, non está claro se se podía obrigar de todo aos soldados a alistarse. Por exemplo, se teñen un superior que os apoie, poden librar. Aínda que os métodos de coacción podían ser máis subtís -por exemplo: formar no patio, e o oficial dicir: "O que non queira ir a Rusia, paso á fronte!"-. Como dicía antes: se o grupo decide ir, eu teño que ir. Aí entran valores moi promovidos polo franquismo como a virilidade. Ademais, todos os factores comentados poden estar interconectados. Un soldado podía marchar por varios motivos, ou mudar de conviccións polo influxo dos seus camaradas ou no decurso do combate. "Non creo que fosen 100% fanáticos, nin que a División Azul fose só un corpo de castigo" Xosé Fernández Naval escribiu unha novela sobre un ourensán de familia non franquista, sen moito interese na política, que cando escribe cartas á familia só conta banalidades. Pois chega un momento no que escrebe: "Arriba España, imos esmagar aos rusos". Había censura militar, pero non tiñas por que escribir algo así. Houbo, así, soldados que se fixeron falanxistas en Rusia ou camiño da fronte. En resumo, non creo que fosen 100% fanáticos, nin que a División Azul fose só un corpo de castigo. "Houbo soldados que se fixeron falanxistas en Rusia ou camiño da fronte" Tamén había voluntarios que tiñan contas pendentes co "comunismo": por exemplo, que perderan parentes a mans da represión republicana. Outro factor é que no 1941 os divisionarios pensaban que ían á guerra só por uns meses e que volverían rápido coa súa medalla. Os que van no 1942-43 xa saben que non é así, aumentan os coaccionados e os que teñen motivacións non ideolóxics. Mais, así e todo, até finais de 1943 segue a haber voluntarios por ideas. Como os trataba o exército alemán? Tiñan sona de indisciplinados, pero polo menos os mandos alemáns non aprobaban os privilexos dos oficiais españois. Como era a súa vida no frente, ademais de pasar frío e vivir entre piollos? O Exército alemán, como institución, tratábaos ben. A tradición do exército prusiano era que había que coidar o material humano, e a Wehrmacht sabía que loitaba contra un inimigo moi superior en número. Mais os mandos alemáns chegaron moi axiña á conclusión de que os españois podían ser bos combatentes, pero malos militares. "Os mandos alemáns chegan moi axiña á conclusión de que os españois podían ser bos combatentes, pero malos militares" Desprezaban sobre todo os oficiais españois, que lles parecían mal formados, arrogantes e clasistas. Non había desprezo aos españois por racismo, pero si un forte complexo de superioridade. E os estereotipos eran decisivos: para os alemáns, os españois só podían ser bos para a guerra de guerrillas. Con todo, os soldados alemáns -non os oficiais- vían nos españois bos camaradas e tiveron deles unha lembranza positiva. A memoria divisionaria salienta os actos de humanidade dos españois cara os pobos ocupados polos alemáns. Mais hai bastante de lenda, non si? Tamén explica o libro que os españois consideraban aos rusos como bos salvaxes, vítimas co comunismo. O racismo era cultural, non biolóxico. Exacto. Primeiro, cómpre lembrar que ser mellor ocupante que os alemáns era doado. Tamén o foron os italianos; non tanto os maxiares e romaneses, quen tamén masacraron aos xudeus ou levaron a cabo represalias colectivas contra civís soviéticos. En xeral, as práticas de ocupación dos españois incluían incidentes menores, como roubos, ou algunhas violacións, e asasinatos non sistemáticos. Mais estiveron ausentes as represalias colectivas, como queimar aldeas enteiras en castigo por ataques dos partisanos. Os alemáns vían nos roubos e pillaxes españois prácticas anárquicas, que desaprobaban por non obedecer a un esquema definido. Nin mataban moita xente nin as súas actuacións respondían a plans sistemáticos. "En xeral, as práticas de ocupación dos españois incluían incidentes menores, como roubos" Canto á loita antipartisana, os españois rara vez participaron nos "comandos de caza" nos que se fusilaba a case todos os capturados. Na miña opinión, isto debíase a que os mandos alemáns non se fiaban da súa eficacia represora. Os labregos cos que falei ou cuxos testemuños recolleron despois os entrevistadores soviéticos non podían lembrar moi ben de que nacionalidade era cada grupo de ocupantes, pero en xeral non gardaban mala lembranza dos españois, que por exemplo se portaban ben cos nenos. Os españois conviviron moito cos civís rusos nunha área da fronte (Leningrado e Volkhov) estática. Mais, en xeral, tamén sentían desprezo e conmiseración polo pobo ruso, ao que enxergaban como bárbaro, inferior, atrasado por influxo da historia e do medio físico; mais era un racismo cultural, non biolóxico-xenético, coma o dos alemáns. "Sentían desprezo e conmiseración polo pobo ruso, ao que enxergaban como bárbaro, inferior, atrasado por influxo da historia e do medio físico" E como se portaron cos xudeus? Na historiografía sobre o Holocausto fálase de perpetradores, vítimas e "observadores", que ollaron o que ocorría, mais non reaxiron. Os españois, en xeral, pertencerían ao terceiro grupo. Viron o que ocorría, poida que non o aprobasen, mais non interveñen, en parte porque era difícil. Tampouco ven tanto. Aos da primeira División, cando pasan por Polonia entre agosto e setembro do 1941, o que ven non lles gusta, pero son antisemitas. Neste caso, é un prexuízo tamén de tipo cultural e raigame relixiosa. "En xeral, os españois nin foron perpetradores, nin protectores dos xudeus" Para un español, un xudeu podía converterse ao catolicismo. Para un nazi, un xudeu é sempre un xudeu, porque é unha cuestión de sangue. Os españois, cando ven os xudeus nos guetos (en Riga ou Vilnius), tampouco reflexionan por que están así. Velos pobres e submisos máis ben confirma os seus estereotipos. Claro que, despois do 1945, cumpría evitar seren identificados cos nazis. Pero poucos se desmarcaron realmente. Tamén hai que ter en conta que os españois non viron moitos xudeus na fronte onde combateron. Non os había porque os nazis xa os mataran antes. Agás en Riga e en Vilnius, onde había hospitais españois, e moitos convalecentes viron os guetos -e aos xudeus que traballaban neses mesmos lazaretos-. En xeral, os españois nin foron perpetradores, nin foron protectores. Aínda que puidese haber actos puntuais de humanidade, como recoñeceron algunhas memorias de superviventes xudeus. "Despois do 1945, cumpría evitar seren identificados cos nazis. Pero poucos se desmarcaron realmente" E mudando outra vez de libro, a Los colores de la patria, o franquismo promoveu unha política de renacionalización vía símbolos de relativo pouco éxito ao principio, e cara ao final comezou a dinámica de trivialización dos mesmos que se impuxo na actualidade… Ese fenómeno é tipicamente español ou máis amplo? A trivialización dos símbolos nacionais non é só un fenómeno que acontece no Estado español. É de todos os Estados con problemas de cohesión nacional, que tamén se transladan aos seus símbolos, porque teñen algún tipo de mácula, como un carimbo autoritario… O uso trivial da bandeira bicor española no fútbol, que tantos debates provocou, tamén tivo lugar na Alemaña desde o Mundial do 2006. Insignias como o touro de Osborne funcionan, así, como símbolos alternativos… "A trivialización dos símbolos é un fenómeno de todos os Estados con problemas de cohesión nacional" No principio do franquismo, o símbolo discutido foi a Marcha Real, que os falanxistas non aceitaban por monárquica, mentres preferían o seu Cara al Sol. Pero a bandeira "rojigualda" non a discutía ninguén entre os franquistas. O problema do himno viña de atráis e era estrutural: era unha marcha de honras ao rei, mais non tiña letra, co que era incapaz de xerar emoción, unión, solidariedade… Mais a bandeira bicolor xa era un símbolo consolidado a comezos do século XX. Unha lei de 1906 xa regulaba as aldraxes á bandeira como símbolo militar. E xa na ditadura de Primo de Rivera e na República hai incidentes relacionados con isto. A bandeira tricolor só devén popular entre os republicanos dende mediados dos anos vinte, non así o Himno de Riego, que case ninguén cantaba por se descoñecer a súa letra. Na Transición hai unha aceptación dos símbolos, paralela á da reforma política. O golpe de Tejero supón a normalización do seu uso como emblemas oficiais, pero a final do XX e primeiros do XXI volve a "guerra de bandeiras". Por que? A bandeira é de finais do século XVIII, pero popularízase no XIX. O que fai o franquismo é poñerlle un escudo propio, o da aguia. A oposición democrática, derrotada a República, fora ficando sen símbolos alternativos. O Himno de Riego caera en desuso e a bandeira tricolor tamén. Os nacionalistas periféricos rexeitaban os símbolos españois porque se identificaban co réxime. E, como os seus propios símbolos eran perseguidos polo franquismo, convértense en símbolos antifranquistas. Por iso ao PCE, por exemplo, nos anos 30 non lle interesaba a bandeira galega, pero nos 60 si que a adopta, e o mesmo fan outros grupos da esquerda estatal. "A partir do 23-F, o PSOE e, en xeral, os partidos democráticos, promoveron máis os símbolos do sistema constitucional" A bandeira republicana é, na Transición, a primeira opción que cae, porque xa non se trataba de escoller entre monarquía ou república, senón entre democracia e ditadura. Só foi mantida polos herdeiros do republicanismo do exilio, e mais por algúns grupos da extrema esquerda. Así, quedan a bandeira bicor, cun novo escudo, e o himno, como símbolos de consenso aceitados pola oposición, pero resemantizados -a bicor pasa a ser a "bandeira constitucional"-. A partir do 23-F, o PSOE e, en xeral, os partidos democráticos, promoveron máis os símbolos do sistema constitucional, en parte porque había medo de provocar máis ao exército, mais tamén porque se quería evitar deixar o monopolio da "patria" -española- e dos seus símbolos á extrema dereita ou ao franquismo sociolóxico que aínda representaba en boa medida a AP de Fraga. "Para o PP de Aznar, os símbolos convertéronse nun instrumento fundamental, e eu penso que si tiveron bastante éxito, no aspecto informal" Tras o PSOE veu o PP coa súa estratexia renacionalizadora de bandeiras descomunais. Funcionoulle? O PSOE tivo un período, con Felipe González, entre 1981 e 1982, no que aspiraba a acadar o poder e a desenvolver un "proxecto histórico" da modernización de España. Para iso, entendían que había que fomentar a identificación cos símbolos, o orgullo de país. Tras o 23-F, o PSOE amosa bastante adhesión, aínda que a devoción pola bandeira decreceu ao longo da segunda metade dos 80; mais rexurdiu periodicamente, como vimos non hai moito con Pedro Sánchez. Para o PP de Aznar, os símbolos convertéronse nun instrumento fundamental do seu proxecto de renacionalización de España dende finais do século XX. E eu penso que si tiveron bastante éxito, no aspecto informal, a través da conversión dos símbolos en obxecto de consumo. A trivialización da que falabamos antes; mais que non consegue impórse na mesma medida, ou só ten mínimo impacto, nos territorios onde proxectos de nacionalización alternativos ao español avanzaron con grande forza dende a Transición. |
NOS_55338 | O Museo de Pontevedra abre o prazo de presentación de inscricións para participar no certame Novos Valores 2021. As solicitudes poden achegarse, de modo telemático, desde o 12 ao 30 de abril. | O Museo de Pontevedra vén de poñer en marcha unha nova edición do certame de artes plásticas Novos Valores. Un concurso en cuxas bases se manteñen as novidades da pasada edición, a limitación de idade aos 35 anos e o proceso de selección en catro fases, co obxectivo de potenciar o traballo de artistas noveis e de acadar a máxima calidade entre as propostas presentadas. Novos Valores 2021 ten por obxecto a concesión, de catro bolsas de 7.500 euros cada unha, destinadas a promover a formación de artistas da Galiza que realicen traballos dentro das modalidades plásticas de pintura, escultura, debuxo, deseño, gravado, fotografía, cerámica e videocreación. As obras que se presenten deberán ser orixinais e inéditas e as persoas interesadas en participar poderán inscribirse, por vía electrónica, a través do formulario normalizado da sede electrónica da Deputación de Pontevedra, desde a vindeira segunda feira até o 30 de abril. Segundo explica o director do Museo Xosé Manuel Rey, "a promoción de actividades culturais, en xeral, e a das manifestacións artísticas, en particular, é un dos trazos que mellor representa a Deputación de Pontevedra". "Un dos fitos máis destacados deste labor de patrocinio é a concesión de axudas a creadoras e creadores noveis, documentadas xa na segunda metade do século XIX, desenvolvidas con criterios e formatos moi diversos ao longo do século XX e con continuidade e vixencia plena na actualidade", explicou. O proceso de selección As persoas interesadas en tomar parte do certame deberán achegar a súa proposta técnica da obra, tamén a través da sede electrónica da Deputación, entre o 10 e o 23 de maio incluíndo até cinco fotografías da peza e unha memoria que inclúa a súa ficha e a súa descrición, atendendo os aspectos conceptuais, teóricos e metodolóxicos. O xurado examinará, valorará e seleccionará até un máximo de 25 propostas entre o total das presentadas coas que se conformará a exposición Novos Valores 2021, que estará aberta ao público no edificio Castelao do Museo de Pontevedra do 8 de xullo ao 12 de setembro deste ano. Finalmente, o xurado reunirase de novo para propor as catro persoas merecedoras da adxudicación das bolsas. |
NOS_28684 | A recén aprobada lei de educación (Lomloe) é recibida con aberta hostilidade e belixerancia pola dereita social e política, que nestes días está a atacar a nova lexislación con argumentos elaborados a partir de mentiras, medidas verdades e falsidades: desde a desaparición do español á eliminación da relixión ou o final da concertada. | É certo que se eliminan os colexios concertados? Desaparece o español das aulas? Van pechar os colexios de educación especial? A resposta a estas 3 preguntas é non, mais a teor da avalancha de críticas e denuncias de PP, Vox e Cs sobre o que implica a Lei Celaá hai xente que pode pensar que si. Explicamos 5 das mentiras da dereita sobre a nova lei de educación. Fin da concertada A educación concertada non desaparece coa Lomloe. Da nova lei desaparece o concepto de "demanda social" que no seu día (2002) introducíu o Goberno de Aznar, que eliminou o de Zapatero e que en 2013 volveu introducir o de Raxoi. En base a este concepto, se os pais preferían mandar os seus fillos a unha privada concertada paga con fondos públicos antes que a unha pública, o Estado debía financiar esa decisión. A nova lei aposta, iso si, por evitar a discriminación do alumnado por motivos socioconómicos e a creación de colexios 'guetos'. Feche de colexios especiais A Lomloe obriga ao feche dos centros de educación especial, denuncian PP, Cs, Vox. Falso. A nova lei o que establece é o compromiso de destinar máis fondos aos centros de ensino ordinario para que poidan ofrecer este servizo e que os centros especiais non sexan a única opción. O Goberno español opta así por seguir a liña da recomendación que se lle fixo en 2018: daquela, a ONU acusou España de discriminar os nenos e nenas con necesidades especiais e recomendou incluílos no ensino ordinario. A nova lexislación márcase como obxectivo que "en 10 anos os centros de ensino ordinarios conten cos recursos necesarios para poder atender nas mellores condicións o alumnado con discapacidade". A relixión desaparece É outro dos cabalos de batalla da dereita, sempre presta para defender o ensino relixioso e a súa presenza no ensino, quer privado, quer público. De novo o 'Trío de Colón' (PP, Vox e Cs) colleuse da man para denunciar que a nova lei supuña a imposición da "ideoloxía laicista". Mais isto tamén é falso. O ensino de relixión católica é de oferta obrigada para os centros e de escolla voluntaria para o alumnado. A nova lei elimina a obriga para aqueles e aquelas que non elixen a materia de Relixión de cursar outra materia alternativa. Ademais, suprime o artigo que permitía que a Relixión computase para a nota media e xa non contará para o acceso á universidade nin para a obtención de bolsas. Persecución do español Esta é unha das teimas da dereita social e política española, con abundancia de artillería mediática e que tamén gaña para a súa causa a personalidades e representantes, en principio de latitudes ideolóxicas diferentes. Que non figure na nova lei a cualificación de "lingua vehicular" para o español non é a fin deste idioma no ensino, como reiteran PP, Vox e Cs. Até que o ministro Wert introduciu esta expresión en 2013 ningunha lei facía referencia explícita a que o castelán era "lingua vehicular" no ensino. No novo texto establécese que as Administracións educativas deberán "controlar" que ao final do ensino obrigatorio haxa un "dominio pleno" dos idiomas oficiais nese territorio. Deberase garantir, pois, que na Galiza o alumnado é "competente" en galego e español. Aprobar suspendendo A nova lei permite pasar de curso suspendendo, o que favore un desmadre no que todos recibirían a mesma nota independentemente do seu esforzo. Mentira. O que hai é un Real Decreto lei de medidas urxentes para ensino non univesitario. Unha norma, non a Lomloe, que modifica criterios de avaliación, promoción e titulación e que é unha "medida excepcional e temporal" mentres dure a pandemia. |
NOS_24294 | O sector editorial segue descontento cos criterios que a Xunta estabelece para outorgar as axudas á tradución de textos literarios, considerándoo pouco profesionais. | O sector editorial vén sendo moi crítico desde hai anos coas axudas da Xunta de Galiza á tradución de obras literarias, por mor dos criterios utilizados para conceder subvencións ás obras que se traducen desde outras linguas ao galego e desde o galego a outras linguas. A censura chegou a un punto álxido o ano pasado, cando se soubo que a segunda empresa máis beneficiada polas axudas á tradución -a Editorial Tegra- era propiedade dunha muller condenada por estafa, constituída pouco antes de que se publicase a convocatoria e que posuía un catálogo de só vinte títulos, dezanove deles en castelán. A empresa recibiu, precisamente, axudas para traducir eses dezanove libros ao galego. A convocatoria de axudas deste ano volve incorrer nalgunhas das incongruencias que o sector denuncia exercicio tras exercicio. Alejandro Tobar, responsábel da editorial Hugin e Munin, especializada en tradución, fixo público un documento no que debulla algunhas das eivas que se detectan na Orde de axudas públicas á tradución de 2022. Entre os defectos sinalados por Tobar destacan algunhas medidas que a Administración implementou como presunta solución a carencias anteriores. Por exemplo, o ano pasado deuse a circunstancia de que até tres editoriais diferentes recibiron axudas para traducir a mesma novela -O xardín secreto, de Frances Hodgson Burnett. Este ano, a Xunta mostra a vontade de non recuncar nesa falta de rigor, mais faino sen valorar ningún tipo de mérito na realización do traballo, senón priorizando, simplemente, a orde de chegada da solicitude. "Hai uns dez anos que as axudas son outorgadas desde criterios moi pouco comprensíbeis desde un punto de vista profesional", declara Tobar a Nós Diario. "Pero creo que o máis inxustificábel da convocatoria deste ano é a desaparición dun criterio que se aplica universalmente, o da extensión das obras cuxa tradución se subvenciona. Se concorren dúas obras, unha de 40 páxinas e outra de 800 e ambas teñen a mesma puntuación, recibirán a mesma axuda, o que desvirtúa completamente o sentido destas axudas ". Tobar acrecenta que o que sucedeu o ano pasado coa Editorial Tegra podería volver ter lugar: "Non se valora a traxectoria das empresas e iso propicia a aparición dunha picaresca que a Administración non debería estimular". Henrique Alvarellos, presidente da Asociación Galega de Editores (AGE), cre que a solución pasa por que unha representación da asociación estea presente na comisión que determina cales son os títulos aos que se lles conceden as axudas, ou mesmo na redacción da propia convocatoria. "Nós somos quen coñecemos as dinámicas de traballo das editoriais e o noso único desexo é ser útiles ao sector e á sociedade en xeral. Creo que coa nosa presenza se solventarían moitos dos problemas que se veñen repetindo ano tras ano". Até o de agora, o diálogo que a AGE estabelece coa Administración dáse a distancia. "Nós enviamos propostas e eles contéstannos que aceptan algunhas e outras non. Ás veces por motivos puramente administrativos e outras, por razóns que descoñecemos. É posíbel que se ese diálogo se estabelecese desde unha mesa de traballo conxunto, poderiamos aproximar posturas dunha forma moito máis fluída". A empresa dunha condenada por estafa recibe da Xunta da Galiza 30.000 euros en axudas para traducións Axudar as editoriais ou difundir no exterior a literatura Unha das reivindicacións históricas do sector é que se fagan convocatorias diferentes para a exportación e a importación de textos literarios, é dicir, para a tradución doutras linguas ao galego e do galego a outras linguas, dúas realidades diferenciadas, con condicionantes moi diferentes. Coa intención, presuntamente, de difundir no exterior a literatura galega, a convocatoria estabelece que se o orixinal é dunha autora ou autor galegos recibirá máis puntuación que se é do resto do Estado ou doutros países. Mais o que se propicia é que algúns dos máis beneficiados sexan proxectos que traducen ao galego obra de autores nacidos na Galiza e que escriben en castelán. "A convocatoria está ateigada deses pequenos desaxustes que estimulan o intrusismo e a picaresca", resume Tobar. |
NOS_30663 | Baixaron un 2,5% nos últimos doce meses. Desde xullo de 2013 encadean meses en negativo. | Os prezos industriais baixaron o pasado mes de decembro un 2,5% a respeito do mesmo mes do exercicio 2014. En comparación co mes anterior, de decembro a novembro 2015, o descenso foi do1,4%. Galiza encadea así 29 meses en rexistros negativos, desde xullo de 2013, segundo o Instituto Nacional de Estyatística (INE). En comparanza con decembro de 2014, os prezos dos bens de consumo subiron un 0,8% en Galiza e incrementaron nun 0,1% os bens de equipo. Porén, baixaron un 2,6% os bens intermedios e a enerxía nun 10,6%. O prezo industrial (Ipri) mide a evolución mensal dos prezos dos produtos fabricados pola industria e vendidos no mercado interior na priemria etapa da súa comercialización. Recolle os prezos de venda de saída de factoría obtidos polos establecementos industriais e exclúen gastos de transporte ou IVE. O Ipri mide todos os sectores industriais (extractivas, manufactureras, enerxía...), agás a construción. Faise mediante un inqérito mensal que recolle aproximadamente 27.000 prezos de 1.500 produtos. |
NOS_1697 | Un estudo da Universidade de Cambridge analizou 160 millóns de palabras en diarios, blogues e publicacións en redes sociais. | O sexismo e machismo que impera no tratamento informativo do deporte feminino ficou confirmado através dun estudo realizado pola Universidade de Cambridge no que foron analizadas 160 millóns de palabras procedentes das novas publicadas en diarios, blogues e mesmo redes sociais. Elas 'solteiras' eles 'gañadores' As conclusións do estudo deixa claro que o espazo informativo dos homes no deporte é tres veces maior porén, tamén evidencia que a focaxe é ben distinta cando se trata delas. Así, as palabras máis repetidas para se referir ás mulleres deportistas son 'idade', 'embarazada', 'solteira' ou 'casada'. En troca, para eles son 'rápido', 'forte', 'grande', 'real', 'fantástico' ou 'xenio'. Aliás, mentres eles 'dominan' as competicións elas 'participan'. O decorrer dos Xogos Olímpicos de Río 2016 deixaron a este respeito grandes exemplos do sexismo na imprensa. Así, para alén do sonado ranking elaborado polo xornal El Mundo no que tildaba de 'buenorras' as atletas, máis recentemente o Chicago Tribune anulou a deportista Cory Cogdell, gañadora da medalla de bronce en tiro, para a denominar nas redes sociais como 'a muller do dianteiro do [Chicago] Bears'. Y además de esposo tiene un nombre, @chicagotribune pic.twitter.com/L1GtPASqXd— Luis Ricardo (@RamosAparte) 09 agosto 2016 Sexismo nas normas de competición Mais o sexismo no deporte vai alén do tratamento informativo para impregnar as propias normas. Os Xogos de Londres 2012 foron os primeiros nos que a Federación Internacional permitiu que as mulleres de volei praia puidesen xogar en pantalóns e camiseta. Até ese momento e desde Sydney 2000 estaban obrigadas a o faceren en bikini cunha braga non superior a 6 centímetros. No caso do volei masculino non existía ningunha obriga nen limitación á hora de determinar as equipacións. A normativa obriga as mulleres a usar un bikini non superior a 6 centímetros A mudanza foi aprobada por razóns "culturais e relixiosas", segundo defendeu a Federación, co obxectivo de ampliar a competición a aqueles países cuxas deportistas non quixesen ou non puidesen participar por mor da vestimenta. Neste senso, Río 2016 deixou imaxes tan simbólicas como a das xogadoras de Exipto (Doaa Elghobashy e Nada Meawad) e Alemaña (Laura Ludwig e Kira Walkenhorst). A equipa alemá gañou dous sets a cero. El beach voley femenino reflejó un contraste cultural entre Egipto y Alemania https://t.co/ezp0r7qK5a pic.twitter.com/GZOdnvJ8K8— TKM News (@TKMnews) 08 agosto 2016 No Estado español o conflito polo carácter sexista da vestimenta que se exixe para as mulleres en determinadas disciplinas deportivas xurdiu en 2014 arredor do balonmán praia. A normativa obrigaba a vestir top e bikini ás xogadoras de "non máis de 10 centímetros". A Federación Vasca denunciou as exixencias e advertiu que as súas equipas non xorgarían se estas non eran retiradas. Finalmente, o Consello Superior de Deportes acordou a partir dese momento a liberdade de escolla. |
NOS_37892 | A proposta dos nacionalistas insta á Xunta a cumprir os compromisos adquiridos na última addenda do Convenio de Paradai nos prazos e orzamentos fixados. | O BNG levará ao Parlamento Galego unha proposición non de lei para instar á Xunta de Galiza a cumprir cos compromisos adquiridos na última addenda do Convenio de Paradai nos prazos e orzamentos fixados. O BNG pretende, a través desta iniciativa, evitar o retraso anunciado polo Conselleiro de Infraestruturas nas tres obras pendentes do Plan Paradai. O goberno do PP pretende agora deixar sen efecto o convenio asinado no ano 2010 co Concello de Lugo e non executar máis de 6 millóns de euros. Para o BNG isto é moi grave "porque os orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2012 recollían integramente as cantidades fixadas no convenio para a execución do Plan Paradai (2,2 millóns de euros en 2012; 2,5 millóns o ano que vén e 4,9 millóns en 2014) " Segundo o anunciado polo Conselleiro de Infraestruturas a Xunta pretende adiar sen data a finalización do Plan Paradai. Mondificariase o convenio asinado, até agora co acordo de Xunta e Concello, para exectuar soamente 3,5 dos 9,7 millóns de euros pendentes ata 2014. Deste modo, só se levaría a cabo, antes do 2014, a construción da Ponte Paradai e a súa conexión coa Serra de Meira. Ficarían sen executar e pendentes da asinatura dun novo convenio co Concello as outras dúas obras, a Estrada das Gándaras e a mellora do tráfico na contorna da Estación de Ferrocarril. Ficarían sen conexión adecuada coa cidade os barrios das Gándaras e o Sagrado Corazón. O BNG ve intolerábel a proposta de retraso das obras remitida pola Xunta de Galiza ao Concello de Lugo. Supón a modificación do convenio asinado no seu día entre a Xunta e o Concello e adía a finalización dunhas obras previstas desde o ano 1999, deixando deste modo sen conexión adecuada coa cidade os barrios das Gándaras e o Sagrado Corazón. Para os nacionalistas "esta proposta de retraso amosa a falta de compromiso do goberno galego co Concello de Lugo e, concretamente, cos veciños e veciñas da zona norte que ven, unha vez máis, incumpridas as súas expectativas"O Plan ParadaiNo ano 1999 asinouse un Convenio entre a Xunta de Galiza e o Concello de Lugo, o chamado Plan Paradai, polo que a Consellería de Política Territorial, o IGVS, a Deputación de Lugo e o Concello de Lugo comprometíanse a realizar diversas actuacións urbanísticas e adquirían distintos compromisos para a realización de numerosas obras no ámbito da modificación puntual do PXOU en Paradai. O devandito convenio sufriu varios retrasos na súa execución, xustificados no seu momento e sempre consensuados entre o Concello de Lugo e a Xunta de Galiza. Agora o Goberno Galego pretende deixar sen efecto o convenio asinado no ano 2010 co Concello e deixar sen executar máis de 6 millóns de euros. |
NOS_7057 | A vida de catro mulleres e unha nena vese alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros. Un deles foxe do outro, polo que se agocha na vila como un ser fuxidío, fantasmagórico e de dubidosa existencia. O outro, un home ferido, perturbará o día a día das mulleres, nunha fronteira entre o real e o imaxinado, entre o pesadelo e o soño, entre o medo e o desexo, nunha historia impregnada de misterio. | A directora vasca Jaione Camborda (San Sebastián, 1983) leva uns dez anos afincada na Galiza desenrolando a súa carreira como cineasta. Durante ese período funda a produtora Esnatu Zinema, coa que financia os seus propios proxectos. Durante estes anos foi fraguando Arima, un proxecto persoal que foi evolucionando e tomando forma ao mesmo tempo que aprendía "o oficio" con curtas (Proba de axilidade ou Rapa das bestas); exercendo de directora de arte en filmes coma Encallados (2013, Alfonso Zarauza), O ouro do tempo (2013, Xavier Bermúdez) e As altas presións (2014, Ángel Santos); e gañando un Mestre Mateo co guión de Os fenómenos (2014), compartido co seu director, e coguionista, Alfonso Zarauza. Malia os premios e o talento demostrado en diferentes campos, o proxecto Arima semellaba eternizarse no tempo. "Un clásico", por desgraza, para calquera que queira producir unha película "sen padriño". Onde moitos e moitas abandonan, Jaione persistiu e non parou até conseguir o financiamento necesario para facer a súa primeira longametraxe. Un debut prometedor na que o real e o fantasmagórico conviven nunha pequena vila sumida nunha mesta bruma. A chegada dun cazador ferido ameazará a vida cotiá do lugar. O ollo omnipresente co que dá comezo Arima suxire paisaxes eternos, irreais, infinitos. Un onírico buraco negro irisado que enche toda a pantalla e que ben podería pertencer a unha proba ocular na Tyrell Corporation, pero non... o ollo está en Mondoñedo. A vila mindoniense aporta esa atmosfera etérea tan necesaria para unha historia onde nada é o que parece apuntalada pola xenial fotografía de Alberte Branco (A estación violenta) que agudiza ese halo de intriga e misterio. Catro mulleres, unha nena e tres homes conforman o grupo de protagonistas. Cada un e cada unha cun peso practicamente igual de importante na trama. No reparto masculino destaca Tito Asorey (Serramoura), como cazador rudo de rostro impenetrábel que fai cambalear a (aparente) apracíbel vida das mulleres, interpretadas por Melania Cruz (Trote), Rosa Puga Davila (Fariña), Iria Parada (Club Houdini), Mabel Rivera (Mar adentro) e o fantástico debut de Nagore Arias, a nena protagonista. Cinco personaxes femininos, en diferentes rangos de idade, que ben poderían ser a mesma persoa ao longo de toda unha vida. A sombra de David Lynch e de Ingmar Bergman están latentes en Arima. Tamén vénse á cabeza O espírito da colmena (1973, Víctor Erice) xusto desde o momento que vemos entrar en escena á Nagore Arias. Unha mirada que o di todo. Magnífica. A atmosfera fantasmal de Trinta lumes (2017, Diana Toucedo), a ameaza permanente de Dhogs (2017, Andrés Goteira) ou o microuniverso sobrenatural de Limbo (2018, Dani Viqueira) tamén están presentes... iso si, desde unha mirada moito máis amábel que estas dúas últimas. Camborda non dá nada mastigado. A través dos diálogos, as diferentes situacións, as miradas, os murmurios e, sobre todo, naquilo que acontece "fóra de campo", consegue deixar a suficiente liberade e espazo para facer partícipe ao público para que interprete e tome as súas propias conclusións. Novo Cinema Galego aderezado con cinema de xénero: desde o western crepuscular até o suspense e as pelis de pantasmas. Unha mesturanza polarizada e moi singular que atrapa desde o principio a pesar que o público convencional quede desconcertado após do curioso e críptico desenlace. Pero claro, entre os preceptos do Novo Cinema Galego non figura que haxa que ser compracente... Arima: (Galiza 2019, 77 min.) Dirección e guión: Jaione Camborda Fotografía: Alberte Branco Elenco: Melania Cruz, Nagore Arias, Rosa Puga Dávila, Tito Asorey, Iria Parada, Mabel Rivera |
NOS_45822 | A central sindical nacionalista CIG continuou esta pasada terza feira co calendario de mobilizacións para esixir a aprobación inmediata dunha tarifa eléctrica "estábel, predicíbel e competitiva que recoñeza o carácter específico das industrias electrointensivas". | Delegadas e delegadas secundaron unha nova concentración diante a Delegación do Goberno na Galiza na que participaron representantes sindicais nas empresas electrointensivas. O secretario xeral de CIG, Paulo Carril, asegurou na concentración que a poxa proposta eque xa está en marcha é "un novo capítulo da incapacidade do Goberno español" que segue sen aprobar o estatuto do consumidor electrointensivo. Desde o sindicato exixen un novo marco regulador da enerxía Desde o sindicato exixen un novo marco regulador da enerxía que permita superar o que denominan "perverso" sistema de adxudicación da interrompibilidade co obxectivo de reverter a crise na que se están sumidas este tipo de industrias. Carril advertiu das negativas consecuencias que pode carrexar esta poxa ao estar recortada á metade nos importes e na potencia a adxudicar. Por este motivo apuntou tamén á responsabilidade do PP na situación actual e criticou o discurso fácil que adopta Feixoo na Galiza "á hora de afrontar un proceso que se pode volver tráxico, atendendo a que o resultado da poxa pode servir de escusa ás empresas para precipitar medidas de axuste de persoal e recortes de produción". Incerteza nas grandes factorías galegas O secretario xeral de CIG puxo varios exemplos de empresas que agora mesmo están a pasar por casos de incerteza e que non teñen solución por falta dun estatuto de electrointensivas. "Alu Iberia mantén paralizadas as inversións comprometidas na planta da Coruña, incerteza absoluta no futuro do complexo de Alcoa San Cibrao e Ferroatlántica non retira os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) das fábricas". Proposta de novo estatuto para as electrointensivas Paulo Carril asegurou que até que non haxa estatuto "as empresas non poden pretender afrontar esta situación con medidas lesivas, empeorando as condicións laborais ou ameazando á continuidade dos empregos". A proposta de tarifa industrial que propón o sindicato nacionalista estabelece que para acollerse a unha tarifa rebaixada, as empresas interesadas terán a obriga de facer inversións e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar o nivel de emprego directo e de mellorar as condicións laborais recollidas en convenio ademais de mellorar as condicións laborais recollidas en convenio. |
QUEPASA_95 | A entidade provincial colaborará coa reforma dos vestiarios e a traída de auga no campo do San Paio de Refoxos | O Museo da Fundación Fernando Blanco sobrevive 36.000€ ao ano. 18.000 proceden do Concello e os outros 18.000 procedían de Ferroatlántica. Pero a escapada da multinacional deixou orfo ao Museo, polo que a alcaldesa e presidenta da Fundación, Margarita Lamela pediu o seu rescate á Deputación da Coruña. Lamela explicou ao presidente a importancia histórica que para Cee ten a fundación, o museo e os fondos que nel se custodian, dende obras de arte coma cadros de Madrazo ou grabados de Calcografía Nacional a material didáctico e instrumental científico do século XIX. O presidente da Deputación González Formoso comprometeuse a colaborar co sostemento este ano, e invitou a alcaldesa a que a Fundación solicite as liñas de subvencións de concorrencia competitiva existentes na área de Cultura da Deputación para museos e fundacións sen fins de lucro que desenvolvan unha importante labor de difusión cultural no territorio, dotada con 400.000 euros anuais. Campo de Fútbol Entre outras cuestións, a alcaldesa solicitou a colaboración da Deputación para reformar os vestiarios e levar a traída de auga ao campo de fútbol da localidade, no que adestran e xogan uns 400 rapaces do municipio, e que non conta actualmente con este servizo básico.Formoso confirmou que a Deputación colaborará co Concello de Cee no financiamento das obras, ben a través dos fondos do Plan Único (polo que Cee recibirá arredor de 700.000 € este ano) ou dunha subvención nominativa que permita que o campo poda contar con suministro de auga. |
NOS_57803 | O director, Alfonso Sánchez Izquierdo, escúdase no 'prestixio social' de Milagros Otero para mantela como tertuliana nun programa da Radio Galega. | A polémica vai sempre onde está a ex valedora do Pobo Milagros Otero, que deixou o seu cargo albo dunha sentenza que implicaba trato de favor pola contratación dunha sobriña do ex presidente Fraga Iribarne. Desta vez a polémica en cuestión xurdiu pola súa continuidade nas tertulias da Radio Galega. En resposta a unha pregunta do Grupo Socialista en comisión Parlamentaria, o director da Corporación de Radio e Televisión de Galizia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu que Otero se manteña no seu posto de tertuliana na Radio Galega cobrando "o mesmo" que o resto dos tertulianos. Segundo o director da corporación, que xa xustificara a súa fichaxe afirmando entre outras cousas que "non foi condenada por ningún tribunal" (aínda que o TSXG sinalara que practicara "desvío de poder e arbitrariedade"), a ex valedora Milagros Otero continuará no programa Galiza por Diante da Radio Galega polo seu "currículo" e "prestixio". Valor incuestionábel Ante esta resposta, a socialista Noela Blanco inquiriu se "tras o grave prexuízo que causou a señora Otero como valedora, pódese considerar que ten boa reputación social?", ao que Sánchez Izquierdo sentenciou que "o valor que achega desde o punto de vista académico é incuestionábel". |
NOS_44924 | Abría o MARCO no edificio do antigo cárcere de Vigo e o Prestige embarrancaba na costa galega, todo na mesma noite de treboada. Esta fin de semana, para conmeorar o décimo aniversario o Museo da rúa de Príncipe abre ate madrugada nun fin de semana de actividade para conmemorar o seu décimo aniversario, arredor da exposición "A Balea Negra". | O MARCO empezaba co pé cambiado, coa exposición de Atlántica, unha das máis polémicas da nosa arte. Xa na noite da súa inauguración, no antigo cárcere de Vigo, a treboada caia dentro e fóra, co malestar de boa parte dos artistas de Atlántica por non se sentiren recoñecidos na mostra que abría o centro daquela dirixido por Carlota Álvarez Basso. A non moitos quilómetros ao norte, o Prestige comezaba o seu deambular anunciando o que sería a maior traxedia ecolóxica da nosa historia. Dez anos despois, os dous acontecementos vólvense unir a través da exposición "A Balea Negra" con máis de cincuenta propostas artísticas para rememorar o acontecemento.O 13 de novembro de 2002 inaugurábase o Museo de Arte Contemporánea de Vigo e un petroleiro chamado Prestige dába as primeiras noticias dun acontecemento que conmocionaría a todo o país durante meses. Esta fin de semana, o sábado 17 e o domingo 18, o centro de arte da rúa Príncipe abre as súas portas cun amplo programa de actividades para todos os públicos arredor da exposición "A Balea Negra", aberta nas salas da planta baixa do centro.Até as tres da madrugada do sábado e até as nove do domingo permanecerá aberto o MARCO, cun amplo abano de actividades entre as que se atopan a visita á exposición guiada polo comisario Pedro de Llano o sábado ás 18:00 ou a charla-conferencia coa activista Mavis Müller, que lembrará a súa experiencia en accións desenvolvidas arredor do vertido do Exxon Valdez en 1989 e as consecuencias que aínda hoxe soportan.O Festival "Chámalle X" organizado pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra coa performance "Cue & Reviw" de Andrés Galeano o sábado ás 21.00 e o obradoiro vocal "A Vila", itinerario polas salas con pezas vocais en diálogo coa exposición, ás 23.00 horas poñeranlle banda sonora á noite. Durante todo o fin de semana o público poderá participar nas visitas guiadas a través das salas, en horario de sábado ás 12.00 e 19.30 horas e o domingo de 12.00 , 17.30 e 19.30. |
NOS_57531 | Din que a ciencia é obxectiva mais non o son os procedementos e prexuízos que marxinan as científicas na súa carreira investigadora. Ás científicas galegas vai dedicado a nova entrega do A Fondo, que volta esta quinta feira 3 de setembro após as ferias de verán. | -A ciencia parte da premisa da obxectividade. É obxectivo o sistema científico-académico á hora de valorar a carreira das mulleres na ciencia? -Eu coido que a ciencia, aínda que presume de obxectividade e meritocracia, en realidade é coma calquera outro ámbito profesional, con micromachismos e machismos non tan micro. Probabelmente o bioquímico Tim Hundt non é o único en pensar así. A súa torpeza foi recoñecelo publicamente. Isto ponse de manifesto na segregación vertical. Existen estudos, como o elaborado pola universidade de Yale, que amosan que a un home se lle pagaría máis salario que a unha muller para o mesmo traballo, ou que o mesmo currículo é valorado mellor se leva o nome dun home có dunha muller. Ese machismo inconsciente perdura. "No curso 2014-2015, o 55% do estudantado nas universidades galegas eran mulleres. Porén, ao redor do 40% do profesorado eran mulleres, e era moi inferior a porcentaxe de catedráticas. É cuestión de tempo? Non." -Como se manifesta esta desigualdade? -Os salarios son un exemplo claro. Téndese a sobrevalorar o traballo dos homes. Son máis abondosas as palmadas no lombo aos homes que as mulleres. Foméntase máis a autoestima nos homes ca nas mulleres que, froito desa educación, tenden a ser máis inseguras. Na práctica iso vese en renuncias, en máis abandonos da carreira universitaria. -Como se ve, na ciencia, a segregación vertical? -No curso 2014-2015, o 55% do estudantado nas universidades galegas eran mulleres. Porén, ao redor do 40% do profesorado eran mulleres, e era moi inferior a porcentaxe de catedráticas. É cuestión de tempo? Non. Nas universidades galegas as alumnas son maioría nas aulas dende o 89. Polo tanto as mulleres deberían ser xa o groso das universidades. -Que contidos comporán este A Fondo? -A socióloga Iria Vázquez analizará en que consiste a segregación vertical e o chamado teito de cristal ou chan pegañento que impide que as mulleres avancen na carreira investigadora. Da man de Mari A. Lires e de Xabier Álvarez Lires, analizarase a segregación horizontal, que é a que se produce entre distintas áreas de coñecemento e leva a carreiras hipermasculinizadas ou hiperfeminizadas, como é o caso daquelas áreas vinculadas ao ámbito do coidado. Por outra banda, poñemos o foco en exemplos de mulleres pioneiras da ciencia en Galicia, que lle serven de referente ás mozas, porque é importante poñer referentes para que as novas xeracións. AS PRECURSORAS -De que referentes se falará neste A Fondo? -Haberá un artigo dedicado á matemática María Wonenburguer, escrito por dúas profesoras da Universidade da Coruña, Ana Dorotea Tarrío Tobar e María José Souto Salorio, que se encargaron de recuperar a figura de Wonenburguer hai uns anos, cando ela aínda vivía. Elena Vázquez Cendón, profesora do Departamento de Matemática Aplicada da USC, vai poñer algún outro exemplo, como o da matemática Antonia Ferrín ou Ángela Ruíz, que deseñou o libro electrónico en 1949. -Falamos fundamentalmente do ámbito da investigación pública. E que acontece no ámbito da investigación privada? A ela se lle dedica outro dos artigos deste A Fondo. -Falar da ciencia en Galicia, e falar fundamentalmente de investigación pública, pero tamén hai investigación no mundo privado, e aí esas discriminacións aínda son máis acusadas. Adoita tratarse de campos máis tecnolóxicos, que as mulleres estudan menos. Con todo o que queda por mellorar, o sector público é unha illa de igualdade. -Entrevistaches para este A Fondo á física do Val do Dubra, Patricia Conde. Por que? -É exemplo dunha nova xeración de mulleres que rachan con eses estereotipos e que estudan carreiras hipermasculinizadas. Falamos con ela sobre os motivos polos que lle gusta a física e o que fai. Participou na maior descuberta científica dos últimos tempos, o bosón de Higgs, e vive nun mundo de homes. A súa é unha experiencia positiva. Traballa en Portugal nun grupo no que hai moitas mulleres, o Laboratório de Instrumentaçao Física Experimental de Partículas de Lisboa.. "É común que as mulleres che digan que sufriron discriminacións, pero non lles gusta recoñecer publicamente que son discriminadas." -Entrevistaches a moitas mulleres científicas tanto no teu traballo xornalístico como para os libros que publicaches. Que conclusións sacas de tantas horas de conversa con elas? -Vin que hai un grupo de mulleres que son moi conscientes das desigualdades que existen, pero é común que non o sexan. Isto dígoo cunha perspectiva temporal, pois gora percibo que as mulleres son máis conscientes, o que ten tamén que ver coa introdución desta problemática na axenda política. Quizais non lles gusta recoñecer cando existen discriminacións. É común que as mulleres che digan que sufriron discriminacións, pero non lles gusta recoñecer publicamente que son discriminadas. Tamén é habitual que as súas parellas se dediquen á ciencia, o que fai que sexan máis comprendidas. -Téñenche relatado episodios machistas? -Normalmente iso non o queren contar abertamente. Cóntancho pero non para que se reflicta nas entrevista. Son episodios de machismo como que lles pregunten por que queres ser catedrática se xa se teñen un fillo. -E cales son para elas as renuncias máis habituais? -Unha renuncia habitual é a maternidade. A taxa de fecundidade é máis baixa para as investigadoras que para os investigadores. Semella que, ou u renuncias a progresar laboralmente, ou a ter unha familia. -Que tipo de discriminacións che teñen confesado? -Na convocatoria dunha bolsa non te poden discriminar, mais si nos contratos a cargo de proxectos, cando a persoa responsábel do grupo decide a quen darlle un contrato ou se darllo a xornada completa ou media xornada. Téñenme comentado dalgún catedrático que fai iso. Quen é machista vai actuar de maneira machista. Tamén recordo o caso dunha investigadora nova, que non chegaba a corenta anos cando a entrevistei, que me dixo que nunca se sentira discriminada no ámbito da informática alén as típicas brincadeiras de mal gusto, mais si me confesou que abriu os ollos cando os seus pais enfermaron. Na familia, asumiuse que ela, por ser a irmá muller, tiña que levar máis sobre as súas costas ese coidado. |
PRAZA_674 | O marasmo mediático xurdido tras o accidente do avión de Germanwings que viaxaba entre Barcelona e Düsseldorf leva o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia a lembrar a necesidade de primar o rigor, evitar as imaxes de persoas "en situacións de sufrimento" e desterrar as especulacións das novas sobre a catástrofe. | Unha nova catástrofe e unha nova fervenza de excesos nos medios de comunicación. Como antes acontecera co accidente do Alvia na parroquia compostelá de Angrois, co asasinato da nena Asunta Basterra ou co avión de Spanair esnafrado no aeroporto madrileño de Barajas, o sinistro do Airbus A320 da compañía Germanwings que viaxaba este martes entre Barcelona e Düsseldorf con 150 persoas a bordo deu lugar a un marasmo no que a fronteira entre a información, o sensacionalismo e mesmo o espectáculo esvaeu de novo. Este é o contexto no que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia volveu lembrar o contido das recomendacións que medios e xornalistas deben seguir para informaren con rigor sobre sucesos de catástrofe, sintetizadas pola entidade galega nun decálogo. Mentres cámaras e micrófonos comezaban a asediar os familiares das persoas que viaxaban na aeronave sinistrada nos Alpes franceses mesmo antes de saberen se os seus seres queridos morreran ou non, o CPXG lembraba a imperiosa necesidade de "respectar o ámbito privado das persoas directa e indirectamente afectadas" por calqura catástrofe. "Fotoxornalistas e cámaras de televisión han respeitar o dereito" das vítimas a "non permitiren a captación de imaxes nas que teñan algún tipo de protagonismo". Mesmo aínda que vítimas e persoas achegadas non indiquen expresamente que non desexan seren fotografadas ou gravadas, "é recomendable absterse de utilizar imaxes que puidan comportar degradación". O CPXG chama a "evitar a publicación de primeiros planos de persoas en situación de sufrimento" Na liña co anterior, a entidade profesional lembra a evidente obriga de "respectar a dor e o sufrimento". "Tanto as persoas implicadas directamente na traxedia como os seus achegados pasan por momentos moi difíciles", que "non deben nin ser expostos á luz pública nin aumentados por ningunha vía". Isto implica, polo tanto, "evitar a publicación de primeiros planos de persoas en situación de sufrimento" e "o acoso e as preguntas en situacións inadecuadas". A dor, subliña o Colexio, está en todo momento "por riba da busca de información", que "en moitos casos" pode tornar "nunha mera percura do morbo". Datos, non conxeturas O decálogo do CPXG para informar axeitadamente sobre as catástrofes pon o acento nun dos aspectos máis recorrentes en determinados ámbitos mediáticos, caso por exemplo das tertulias: a necesidade de supeditar a información aos datos reais e non ás conxeturas. "En ocasións -evidencia- os medios lánzanse a realizar conxeturas sobre as causas, consecuencias e outros aspectos do acontecemento", unha opción que "pode aumentar a angustia e preocupación das vítimas" e mesmo "resultar lesiva para a honra ou a imaxe". Todos estes riscos evítanse baseando as novas en "fontes expertas e oficiais". No caso das listas de persoas falecidas, non fornecendo información "nunca" sen que antes a coñezan as persoas afectadas. "As conxeturas e hipóteses sobre a traxedia deben ser evitadas" Non "contribuír a crear situacións de psicose", marcar "perfectamente" a "distinción" entre "reconstrucións, recreacións e feitos" ou "coidar a linguaxe e evitar recursos espectacularizadores" son outras das recomendacións nun ámbito no que, advirte o decálogo, "a información fornecida polas persoas afectadas ten que ser valorada e contrastada, como o reto de informacións". "Verse convertido, por desgraza, no protagonista dunha traxedia non pode ser xustificación para introducir na axenda mediática calcquera tipo de información". "A dor e a desesperación -explica o Colexio- levan decote a realizar declaracións e acusacións sen ningún tipo de proba", polo que os xornalistas deben "peneirar" e evitar "o que non é noticioso", así como "detalles sensacionalistas". Estas recomendacións, unidas á obriga de editar o material gráfico completan unha guía na que o CXPG recalca o que, a priori, é obvio: "Non é admisible a distinción entre vítimas", polo que non cabe "diferenza de gravidade ou interese informativo" en función de nacionalidade, raza, idade, sexo "ou calquera outra condición", porque "isto non é máis ca unha forma de discriminación". Cómpre, en síntese "buscar a maior rigorosidade". Información sobre o accidente en eldiario.es |
NOS_23316 | Respecto da compañía, o alcalde de Pontevedra critica o "dereito de pernada industrial" de Ence: "non hai outra empresa coas mesmas facilidades". | O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acusou o presidente da Xunta, Núñez Feijxoo, de "incitar á violencia" coas súas declaracións sobre a situación de Ence, da que, segundo Lores, todo o PP -local, nacional e nestatal- culpa o Concello. Nunha entrevista ofrecida este domingo á Cadena Ser, Lores recoñeceu que hai "unha radicalización clara na protesta", pero "hai responsábeis políticos diso". "Se se di que a xente vai para á rúa, que non pode pagarlle os estudos aos seus fillos, etc, iso é incitar á violencia. E é o que están a facer Feixoo e todo o Partido Popular", aseverou o rexedor municipal. Lores instou o presidente do Executivo galego e ao PP a "pedir perdón" e, ademais, comentou que a Fiscalía "debería" actuar de oficio "porque se está insultado a cargos políticos en sitios públicos". "Durante décadas estivemos falando de que había que buscar unha nova localización, e durante todo este tempo tentáronse saltar as competencias, con enganos manifestos por parte do PP e da empresa, tentando convencer de que podían seguir alí", asegurou Lores. Así, o alcalde pontevedrés tamén criticou o papel da dirección de Ence, da que dixo que goza de "dereito de pernada industrial". "Non hai ningunha empresa coas facilidades que ten Ence. Non pagan nin o cánon da auga", criticou. "Non se pode dialogar cunha empresa que di que non se pode trasladar. Negan a maior e así, que diálogo te queda?", comentou o alcalde da cidade sobre as conversacións con Ence Respecto ao futuro da compañía, o rexedor sinalou que "hai que buscar unha alternativa viábel e de futuro". "Nós o que dicimos é que non pode estar en Lourizán, pero se hai outra localización en Pontevedra ou en Galiza, moi ben", apuntou Lores, que puntualizou que "sempre que sexa coas mesmas condicións que calquera outro empresario". "Non se pode dialogar cunha empresa que di que non se pode trasladar. Negan a maior e así, que diálogo te queda?", comentou o alcalde da cidade sobre as conversacións con Ence. Fernández Lores tamén opinou sobre a pandemia, da que dixo que "se fixeron moitas cousas mal". "Aquí seguimos coa teoría de que a economía é o máis importante, sen darnos conta de que a economía non funciona sen saúde", lamentou o responsábel do Goberno local. En canto á situación á que se enfronta a hostalaría, Lores recoñeceu que "se está demonizando o sector", posto que "os focos importantes non se produciron na hostalaría". "Impídese que a xente vaia a restaurantes con restricións para que se vaia a outro sitio a xuntarse, non é razoábel", dixo, para apuntar ademais que "habería que tomar medidas doutra maneira", pero que "se tomou de broma a pandemia". Por outra banda, Fernández Lores evitou profundar na súa relación con Núñez Feixoo e, aínda que remarcou "a lealdade institucional" coa que traballa respecto o Executivo, recoñeceu que "ás veces, custa traballo". "Boto de menos un maior compromiso en determinados asuntos", concedeu Lores, que citou os problemas relacionados coa estrada que une Vilagarcía de Arousa con Santiago, dúas cidades que levan tentando unir 20 anos, segundo declarou. En canto á situación do Bloque Nacionalista Galego, Fernández Lores destacou o "momento de expansión" no que se atopan e encomiou a Ana Pontón, "que representa un sector de xente que quere a este país e que quere un futuro para os seus descendentes e para todo aquel que veña". "Tarde ou cedo, os galegos apostarán por esta opción", asegurou Lores, que ve a Pontón con opcións para o 2024. Respecto da súa situación dentro do partido, Lores evitou pronunciarse sobre a súa posíbel renovación en vista das próximas eleccións municipais, "xa que poden cambiar moitas cousas", mais recoñeceu estar "máis ilusionado que nunca". |
PRAZA_21057 | Dende hai semanas o Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades vén impulsando unha campaña pola abolición do confinamento solitario en prisión, que sofren un milleiro de persoas no Estado e que provoca grandes prexuízos físicos e sobre todo psicolóxicos. | Dende hai unhas semanas Esculca, o Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades, vén impulsando unha campaña pola abolición do confinamento solitario en prisión, cualificado como "un cárcere dentro do cárcere". Case mil persoas presas cumpren condena en réxime de confinamento solitario nas prisións por múltiples motivos (sancións, medidas coercitivas...), destaca Esculca, que lembra os graves prexuízos físicos e psíquicos provocados polo pechamento prolongado, consecuencias negativas que se agravan no caso das persoas que sofran este illamento dentro da propia cadea.Case mil persoas presas cumpren condena en réxime de confinamento solitario nas prisiónsO réxime de illamento prisional implica unha limitación das saídas ao patio (entre 2 e 4 horas ao día, chegando ara as 6 horas na Catalunya), a limitación tamén dos contactos con outras persoas presas, a realización de inspeccións e revistas diarias, mudanzas continuas de cela, a limitación dos obxectos permitidos na cela, comidas en solitario, a restrición do contacto cos funcionarios, a negación das licenzas de saída, a restrición das comunicacións con persoas do exterior (limitación a dúas cartas semanais), e a recusa ou limitación de actividades culturais, deportivas e espirituais, explica Esculca. O Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades destaca que a falta de contacto humano e de actividade "tradúcense nun prexuízo serio para a saúde física e mental de quen a sofre, cando non acaba directa e definitivamente coas súas vidas". A entidade afima ademais que se trata de espazos "onde en moitos casos se favorece a práctica de abusos por parte de funcionarios".A falta de contacto humano e de actividade "tradúcense nun prexuízo serio para a saúde física e mental de quen a sofre, cando non acaba directa e definitivamente coas súas vidas", di EsculcaO réxime de illamento afecta as persoas clasificadas en primeiro grao que cumpren a súa condena en módulos de réxime fechado e aquelas que están pechadas en departamentos especiais, así como a moitas das persoas clasificadas nos grupos FIES (ficheiros de internos de especial seguimento). Tamén é utilizado como sanción para faltas moi graves, "o que o converte nun cárcere dentro do cárcere", di Esculca, que denuncia que "a prohibición expresa de que unha sanción de confinamento solitario dure máis de 14 días é incumprida de maneira arbitraria nos cárceres do Estado a pesar das constantes recomendacións e denuncias de organismos estatais e internacionais".Tamén é utilizado como sanción para faltas moi graves, "o que o converte nun cárcere dentro do cárcere", di EsculcaEsculca conclúe o seu manifesto denunciando que "o isolamento prisional implica un trato cruel, inhumano e degradante para as persoas, e constitúe en si mesmo unha forma de tortura" e esixe "acabar co réxime de confinamento solitario". A entidade denuncia así mesmo que no contexto da pandemia de COVID-19, "as persoas presas están abandonadas máis que nunca"."A prohibición expresa de que unha sanción de confinamento solitario dure máis de 14 días é incumprida de maneira arbitraria", denuncia EsculcaO mestre, músico e escritor Baldomero Iglesias Dobarrio, 'Mero' publicou este mércores en Praza.gal un artigo no que se une á denuncia realizada por Esculca, "Non hai dor como a do forzado illamento", no que comeza destacando que "precisamente nestes días de confinamento podemos facer unha aproximación ao tema do illamento, da soidade e dos seus graos de afección. Podemos trasladarnos á empatía". Mero afirma que "o 'illamento' ao que tanto lles dá por castigar á xente nos cárceres, é unha perversión do terror, unha idea macabra que nos deshumaniza á totalidade dos seres vivos" e conclúe que "o cárcere cando supón illar desta maneira é unha tortura silandeira que rompe os vínculos co mundo, coa mesma vida". |
NOS_30769 | As novas normas permitirán esta fin de semana a ampliación da ocupación dos campos até o 100% coincidindo coa volta da competición en Primeira División, coincidindo coa visita do Sevilla ao estadio vigués. | Volve a competición en Primeira División e con ela tamén o fútbol ao estadio de Balaídos. O Celta medirase ao Sevilla este domingo (16.15 horas) coa posibilidade de contar co apoio da súa afección en Vigo ao recuperar a entrada do 100% de público por primeira vez desde que se iniciou a pandemia. Entre as novidades celestes está Brais Méndez que xa está recuperado da súa lesión. O canteirán aseguraba en rolda de prensa que ten "ganas de poder axudar ao equipo". En relación ao partido contra os andaluces apuntou que "sabemos como xogan. Teñen un persoal extraordinario con xogadores en todas as posicións e cunha ou dúas opcións que poden render a un altísimo nivel". En todo caso pensa que o Celta debe pelexar por algo máis que manter a categoría. "O que pasou os últimos anos non pode ser un reflexo para nós, non podemos volver caer niso", concluíu. O Lugo buscará a vitoria en Burgos En Segunda División o Lugo visitará ao Burgos tamén este domingo (18.15) coa idea de sacar os tres puntos do Plantío. Rubén Albés explicaba onte en rolda de prensa que o encontro será "moi fechado, porque as defensas impoñeranse aos ataques" e avisaba de que o rival "encaixa moi pouco porque ten unha organización de alto nivel, ademais de xogadores de gran talento defensivo". Para o vigués, o seu equipo "non irá buscar outra cousa que non sexan os tres puntos". O Depor quere ser lider en solitario Na Primeira División da RFEF a xornada comezará para os equipos galegos en Riazor co choque entre o Deportivo da Coruña e a UD Sanse este sábado (19 horas). Os de Borja Jiménez poderán contar con Trilli que entrou na convocatoria e agardan sacar proveito de xogar en casa para afastarse do seu directo competidor con quen están igualados a puntos. Tamén o domingo xogará o Racing de Ferrol o seu partido co CD Tudelano (12 horas) nun encontro que podería ser accesíbel para os de Parralo por ser a formación de Burgos pechacancelas da categoría con só un punto sumado nas sete primeiras xornadas. O Celta B, polo seu lado, visitará o estadio do Raio Maxadahonda, segundo na clasificación, este domingo (12 horas). |
PRAZA_5634 | Abofé que podemos agardar un instante, ou o tempo que precises para aviarte, ou para tomar alento e pelexar con coraxe, ata que deixes de deambular coma un somnámbulo sen control, incapaz de decatarte do que acontece no remanso dese estúpido sosego que te aparva sen remedio. | "Sempre pensei que as coisas pudessem correr mal, mas nao tao depressa, mas nao daquela forma ("A ordem natural das coisas", António Lobo Antunes) Se non tes a coraxe que precisas para caer na conta de que, se topeneas e esqueces a túa lingua, axiña te deixarás relamber pola tristura e pola inopia dos atardeceres atoldados Se non tes a coraxe que precisas para caer na conta de que, se topeneas e esqueces a túa lingua, axiña te deixarás relamber pola tristura e pola inopia dos atardeceres atoldados. Se pensas que gozas, aparvado pola modorra que che zarandea o ser, deixándote domear polo pérfido feitizo que te contaxia. Se esa parsimonia melancólica que adoitas decotío non che fai doer a codia dos teus lánguidos pensamentos. Se xa non te acordas quen es e renegas cada cando, coma un tarabelo desnortado, da lingua que mamaches porque confundes o pasado coa ausencia. Se o sopor que che anestesia os miolos non che deixa distinguir o melodioso canto do merlo do cacarexo dos gaios. Se non podes sentir o que dis cando conversas e non comprendes o que che contestan, porque perseveras nunha fala que ti mesmo non entendes. Se o auto-odio que te ofusca che arrampla o teu natural sentido de pertenza. Entón, talvez non tardes en perder a pouca ansia que che resta, posuído pola infausta amnesia que te ensume, a piques de ficar sen existencia; ou convertido nun inerme mamote, sen os folgos que precisas para mandar ao nabo aos que te emboban e te apampan docemente coa supina parvada de que a túa lingua non paga a pena porque non é máis ca un pesadelo de catro papaleisóns nostálxicos. Talvez deberías pensar seriamente en escoitar o doce zunido do noso vento, para testar se segues esperto, para evitar que os latexos do teu errático sentir che fagan estoupar o peito Se turras a favor, no canto de gurrar en contra da corrente que te engule, e porfías por escornarte contra a fala que herdaches dos antergos. Se segues posuído por esa teimosía de arrimarte, coma un can sarnento, ao sol que máis quenta e te deixas agarimar polos raios avinagrados que che fan suar as illargas e ferver a mente ata derreterche as entreteas. Se prefires vivir coa testa adormecida e, cando te derreas, non es quen de discernir se padeces por mor das doenzas nos cadrís ou sofres pola aldraxe dos que te mangonean. Se a preguiza que tanto te aparva non che permite remelar o xenio para axotar a atrofia que infesta o teu delicado encéfalo. Entón, talvez deberías pensar seriamente en escoitar o doce zunido do noso vento, para testar se segues esperto, para evitar que os latexos do teu errático sentir che fagan estoupar o peito; para que cando fales non tremas e digas cousas con xeito, sen ter medo a dicilas coa lingua de sempre; para ser quen de respectarte e camiñar coa cabeza ergueita. Se espertas e queres vir canda nós para ouvir pasar o vento que zune en galego. Se estás disposto a bater o cobre e te atreves a fincarlle o papo nos beizos aos que se empeñan en taparche os ollos coas andrómenas de sempre, para tratar de convencerte de que a túa fala non é máis ca un nubarrón pasaxeiro a piques de esvaecerse. Se pensas, coma nós, que a lúa chea aluma dabondo para fender sen medo a penuria da noite cega, en compañía da lingua que te facía diferente; abofé que podemos agardar un instante, ou o tempo que precises para aviarte, ou para tomar alento e pelexar con coraxe, ata que deixes de deambular coma un somnámbulo sen control, incapaz de decatarte do que acontece no remanso dese estúpido sosego que te aparva sen remedio. Abofé que podemos agardar un instante, ata que deixes de deambular coma un somnámbulo sen control, incapaz de decatarte do que acontece no remanso dese estúpido sosego que te aparva sen remedio Ah! O meu tío Lisardo gusta de madrugar canto pode, para arrimarse espido á solaina do tempo, ata sentir na pel do peito a brisa doce da mañanciña, para ouvir pasar o noso vento fresco, antes de que o sol arrime o fuciño e lle derreta o pensamento. Para saborear a melodía dos merlos que cantan en galego, dende a rompida do día ata que se deitan. |
NOS_52565 | A Junta de Castela e León está a suprimir aulas de galego no Bierzo, incumprindo o convenio asinado coa Xunta de Galiza para a promoción da lingua na comarca. Tanto a Academia Galega como o Consello Escolar do IES de Cacabelos -un dos afectados- diríxense ao goberno galego para que faga cumprir o acordo subscrito polas dúas institucións. | Quer a Academia quer o Consello Escolar do Instituto de Cacabelos -no que se suprimen aulas de galego co alumnado xa matriculado- dirixen as súas protestas á Xunta de Galiza para que faga cumprir o convenio entre as dúas administracións, de modo a manter as aulas da nosa lingua na comarca. A Academia Galega, a través do seu correspondente na comarca, solicítalle á Secretaría Xeral de Política Lingüística que exerza o "control lóxico" sobre o cumprimento do Programa de Promoción do Galego asinado por ambas institucións. Os recortes no ensino público en Castela e León están a atinxir o Programa de Promoción do galego nos centros da comarca do Bierzo e xa son varios centros os que ficaron sen docencia da nosa lingua no curso académico que vén de comezar. A Real Academia Galega dirixiuse á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta manifestando a súa preocupación pola situación. Aliás, tamén se puxo en conta coa Administración de Castela e León, á que lle reclama que "non haxa ningún alumno/a e ningunha familia berciana que, desexando voluntariamente recibir clase de galego, a través do programa existente, sexa obrigada a escoller outras optativas". A situación de recorte de profesorado agrávase co cambio do corpo docente de Primaria que até agora estaba encargado de impartir as aulas de galego A través dunha carta do académico correspondente no Bierzo, Héctor M. Silveiro Fernández sinálase o éxito dos doce anos de existencia do Programa apoiado por máis de mil familias bercianas, malia ser unha proposta "de mínimos ou de baixo perfil". "Solicitamos que no presente curso non se aborde ningún cambio que altere as condicións nas que se viña desenvolvendo o mesmo e que, de querer introducir calquera tipo de modificación, por leve que esta sexa nos próximos cursos, debería ser previamente debatida e sopesada pola entidades habitualmente consultadas", defende, citando de maneira especial á Xunta de Galiza e a Junta de Castela e León, asinantes do protocolo e tamén á propia comunidade educativa. O programa naceu por acordo unánime aprobado no Parlamento español que logo se concretou no Estatuto de Castela e León, visando protexer e promover o galego nas comarcas do Bierzo ou as Portelas de Zamora. "Tamén a Xunta de Galicia ten e debe exercer un control lóxico, pois o seu Estatuto así o determina", apunta Héctor M. Silveiro alertando tamén de que o Bierz o é o territorio onde se está a producir un maior descenso no número de falantes. "Manifestamos a nosa máis enérxica negativa sobre todo a que se supriman certas horas de galego nas aulas dos nosos centros porque os bercianos teñen dado mostras do seu interese por introducilo no sistema educativo da Comarca, conscientes de que é unha lingua histórica e de cultura que lle outorga personalidade ao Bierzo", engade, destacando o valor cultural e tamén as oportunidades que outorga o coñecemento do galego, xa que o alumnado remata o Bacharelato co título do CELGA III. O Consello Escolar de Cacabelos diríxese á Xunta Despois de que a Junta de Castela e León teña eliminado o galego como optativa no IES de Cacabelos co alumnado xa matriculado, o Consello Escolar do centro vén de rexeitar a solución da consellería de Educación que, antes as protestas, propuña agrupar alumnado de distintos niveis para a docencia de galego. O consello escolar do centro vai denunciar diante da Xunta o incumprimento por parte do goberno de Castela e León do convenio de colaboración que asinaron en 2001 as dúas administracións e que comprometen a promoción do galego no territorio bercián. A Asociación de Nais e Pais non descarta organizar mobilizacións na defensa das aulas de galego, entre outras razóns, polos prexuízos ocasionados ao alumnado que até o momento cursaba a materia co fin de obter o CELGA III no seu remate. A Junta anunciou a supresión do galego en Cacabelos tan só un día antes do inicio do curso a través dunha carta remitida á dirección do IES por parte da Consellería de Educación. |
NOS_1977 | O plantel de Urbaser en Lugo mantén un paro indefinido desde hai 3 semanas. Embora manteren conversas coa empresa continúan en folga pois "o plantel está unido", afirma un dos traballadores, José Antonio. | José Antonio é traballador de Urbaser en Lugo. Xunto c@s compañeir@s levan tres semanas de folga a prol dun convenio colectivo que recolla as súas reivindicacións e os acordos alcanzados coa empresa en anteriores ocasións. Malia as "presións" que denuncian recibir desde Urbaser, os despedimentos e sancións, afirma que "os ánimos están moi arriba" e que continuarán adiante até o final. Van tres semanas de folga. Como están os ánimos entre o plantel?Bon. Os ánimos están moi arriba, malia o que está a facer a empresa e da presión á que nos está submetendo. Temos moi claro que está loita que estamos a facer non pode parar, ten que ir para adiante. Non temos outra alternativa. Ou perdemos os dereitos ou loitar é o que nos queda. Iso sabémolo todos. Nese senso, todos somos un. As decisións que está a tomar a asemblea son por unanimidade, non hai ningunha división. "As decisións que está a tomar a asemblea son por unanimidade, non hai ningunha división" Cales son as vosas reivindicacións?Que o noso convenio colectivo --que custou moito chegar a el-- se manteña. E é que a empresa quere tiralo pola borda. Coido que a veciñanza, a grande maioría, entende as nosas reivindicacións e que os primeiros prexudicados coa folga estamos a ser os traballadores. De feito, este mes o comité de folga non cobrou nada e entre os traballadores hai nóminas de 30 euros, de 50... Que demandades nas negociacións?No anterior convenio a empresa quedou en fixar nunhas táboas salariais unha paga de 600 euros --300 polo 2012 e 300 polo 2013 que nos foron reintegrados. Foi un compromiso verbal na negociación anterior. Cando se transcribiu a literalidade do convenio non se recolleu esa consolidación. De aí vén o enquistamento das negociacións, porque a empresa non está disposta, non quere entrar por aí. O primeiro día de folga foron despedidas 11 persoas. En total agora son 23 e máis de 60 expedientes sancionadores abertos. Como valorades a actitude de Urbaser?Queren meter medo ao persoal e que nos veñamos abaixo. Que nos rindamos. Mais está a conseguir todo o contrario. Cada vez estamos máis unidos e non damos un paso atrás. Urbaser é unha empresa concesionaria dun servizo público do concello. Credes que hai responsabilidades políticas no conflito?Cremos que si. De feito, para a equipa de goberno todo é volcarse coa empresa. Cos traballadores eu non vin ningunha declaración do alcalde nen da súa equipa manifestando o apoio aos empregados. Entendemos que hai intereses entre a empresa e o goberno municipal. "Os traballadores estamos desprotexidos e quedamos á libre vontade do que queiran as empresas" Tanto PSOE como PP se opuxeron á moción que presentastes no último pleno...Que o PP non se sumase, entendémolo mais non que o PSOE votase en contra da moción. O sábado tedes convocada unha manifestación en Lugo. Imos seguir adiante, con toda a forza e a ver que pasa. Neste momento non podemos dar marcha atrás. Sexa como sexa, isto non pode quedar aí. Outros sectores están tamén a negociar os convenios. Cada vez é máis complexo gañar a batalla ás empresas?Estámolo vendo, non só na recollida de lixo, outros sectores están igual. Hai empresas que están a negociar os seus convenios e están a deixalos sen vixencia porque se non se negocian nun tempo, o convenio queda sen efecto. E é o que contan compañeiros doutros sectores. Con isto, os traballadores quedamos desprotexidos, á libre vontade de que as empresas fagan o que queiran. Iso é triste. |
NOS_47844 | A Asemblea Xeral da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL) aprobou o sábado, 20 de febreiro, a nova xunta directiva, que encabeza Anxos Sobriño. | A CTNL celebrou no día de onte o seu vinte aniversario cunha asemblea festiva na que se elixiu a nova directiva, encabezada por Anxos Sobriño, que substitúe no cargo Nel Vidal após nove anos como presidente. Neste tempo, a entidade centrouse en mellorar o discurso e o traballo para impulsar o galego e na formación dos técnicos e técnicas. Acompañan Anxos Sobriño, Rosa Moreiras, como secretaria, e Queca Carballo, como tesoureira. Son vogais Adela Pita, David Cobas, Dores Sánchez, Silvia Muíño, Soco García e Tono Formoso. |
NOS_17460 | As causas e as alternativas ao fenômeno da pobreza. | A capacidade tecnológica atual permite garantir condições de vida dignas para toda a humanidade. O problema da pobreza deriva do capitalismo, sistema global predominante como mecanismo regulador da produção e distribuição dos bens e serviços a nível coletivo. Como resposta aos excessos do economicismo neoclássico surgem, na última década do século XX, duas correntes paradigmáticas para acometer a questão do desenvolvimento. A primeira, artelhada arredor da Comissão do Sul de1987 no âmbito do Movimento dos Países Não Alinhados, recolhe interpretações dependentistas, estruturalistas e neomarxistas e autorresponsabiliza aos países subdesenvolvidos pela definição de um plano de ação,que baseado na sua própria cooperação,seja capaz de enfrentar o domínio do Norte e alterar a ordem mundial para estabelecer novas relações de interdependência Norte-Sul. Frente a esta teoria econômica holística e reassumindo a idéia das "necessidades básicas", auspiciada pelo Banco Mundial e a OIT, é que se perfila desde o Programa das Nações Unidas para o Desenvolvimento, uma nova interpretação alcunhada como "desenvolvimento humano",que situa o indivíduo como sujeito e destino deste processo,visando ampliar as suas capacidades e oportunidades para desenrolar com dignidade o seu projeto vital, mas a risco de desmembrar o desenvolvimento da sua dimensão material. O seu contributo principal foi a elaboração do Índice de Desenvolvimento Humano, que complementa a significância da "renda per capita". Eliminar a discriminação e a pobreza As duas perspectivas coincidem na sua multidimensionalidade, achegando elementos sociais e políticos a este novo objeto de estudo da economia. Aliás, a Comissão do Sul adota um caráter normativo em prol dum desenvolvimento desde e para o coletivo, advogando pela libertação política individual e nacional, e por um crescimento econômico ajustado a parâmetros ambientais e de justiça social para eliminar a discriminação e a pobreza. Transitando através de posteriores aportes como a atualização neoestruturalista da articulação "centro periferia" de autores da CEPAL como Armando Di Filippo; o paradigma do desenvolvimento endógeno e local;o desenvolvimentismo sustentável; os aspectos de gênero; a contra-revolução neoclássica e a moderada reforma superadora do convencional consenso de Washington proposta por Stiglitz no 2000 ou a Agenda de Barcelona de 2004, chegamos a Porto Alegre. Nas sucessivas edições do Fórum Social Mundial, e desde posturas heterogêneas, estabelecem-se uma série de elementos comuns que responsabilizam os países desenvolvidos por travar o desenvolvimento dos periféricos, propugnando modelos autocentrados, retomando a crítica às políticas da OMC e clamando justiça global mediante uma fiscalidade internacional e a anulação da dívida externa. Porém, ressaltam apenas o "neoliberalismo" como causa do subdesenvolvimento, alentando a esperança dum capitalismo benigno. O anti-desenvolvimentismo O anti-desenvolvimentismo, dicotômico e excluinte, chega a equiparar o conceito de desenvolvimento com o crescimento capitalista, invalidando a possibilidade dum desenvolvimento alternativo. E fraqueja, tanto na sua fundamentação teórica quanto no seu suporte propositivo como alternativa emancipatória, precipitando-se em arranjo acomodadiço, inócuo ante a hegemonia capitalista, por que reconduz a necessidade de transformação para uma mistura de dinâmicas dispersas, órfãs de propósito firme e perceptível, circunstância celebrada e ecoada desde os alto-falantes mediáticos como única alternativa ao mainstream. Conforme ao professor Ramírez-Cendrero destacamos, entre as pertinentes críticas ao pós-desenvolvimentismo, uma frágil interpretação dos aspetos centrais do processo capitalista a nível mundial;ausência analítica a respeito das classes sociais e a exploração; falta de definição de um sujeito coletivo transformador, pois o apelo a soluções particularistas reforça o individualismo burguês e urbano do ocidentalismo que tenciona criticar, e a idealização das sociedades tradicionais obvia o seu, noutrora, caráter contraditório. O anti-desenvolvimentismo chega a equiparar o conceito de desenvolvimento com o capitalismo, invalidando a possibilidade de alternativas Aliás, será capaz de resolver as assimetrias do desenvolvimento desigual e a dependência, sem questionar o cerne da acumulação capitalista, expansiva a escala mundial? O seu radicalismo "anticapitalista" não tem gerado um corpus conceptual propiciatório de uma alternativa sistémica ao capitalismo. Apenas oferece caminhos desconexos e respostas particularistas, que simplesmente lavram uma nova fábula, isenta de soluções emancipatórias ante um subdesenvolvimento que nega por princípio. E reduz o alcanço dos seus objetivos, em quanto renega do reconhecimento da existência de certas necessidades humanas básicas e universais,que precisamente, conformam a idéia de desenvolvimento. Como assinalava a Comissão do Sul, graças à idéia de desenvolvimento é que a independência política cobra todo o seu significado. Nem tão difícil quanto necessária, pois outro desenvolvimento é possível para Galiza, como advertia o doutor Ramom López-Suevos em 1990. |
NOS_16751 | Os representantes da Galiza rematan a contra o reloxo inicial lonxe dos postos de privilexio. | O ciclismo galego está representado polos ciclistas Delio Fernández, Álex Marque, Ángel Sánchez e Guillermo García nunha Volta a Portugal que disputou onte a súa primeira etapa, unha prólogo contra o reloxo de 5,4 quilómetros con saída e chegada na Praza do Imperio de Lisboa. Os galegos non tiveron opcións de vitoria, que foi para Rafael Reis. O mellor foi Álex Marque (32, a 24 segundos do gañador), seguido por (65, a 36 segundos), Guillerrmo García (81, a 39 segundos) e Ángel Sánchez (92, a 43 segundos de Reis). A Copa Galiza baixa o pano do circuíto de Manzaneda O centro neurálxico da disciplina de descenso na Galiza, o bike park de Manzaneda, fecha o calendario federativo do 2022 cunha dobre cita, a primeira edición do seu Mini DH e o IV Trofeo Federación DHI-Manzaneda Bike Park. A primeira destas probas estará orientada aos e ás máis cativas -promesas, principiantes, benxaminas e alevinas-, cunha xornada intensa estruturada ao longo do día de mañá que inclúe adestramentos oficiais (ás 10 horas), unha quenda clasificatoria (ás 15) e a carreira final (ás 16 horas). Xa o domingo, 7 de agosto, o Trofeo Federación repartirá puntos para a Copa Galiza e o ránking estatal. O certame copeiro regresa a Manzaneda con todo por decidir nas clasificacións xerais. Actualmente, os maillots de líder corresponden a Natalia Menéndez (Cuetos Bike) e Yago Caride (Bici Verde) en cadetes; Cristina Menéndez (Cuetos Bike) e André Martínez (Avanza-O Porriño) en júniors; Uxía Álvarez (Coruxo) e Víctor Mariño (X Bikes) na Sub-23; Gemma Chapela (VK Bikes) e Nicolás Larrán (Traviesas) en elites; Iván Mourelo (DH Galicia) nos Máster-30; Rubén Piñeiro (Mesoiro) en Máster-40; e Ricardo Escudero (Poio Bike) nos Máster-50. Tras os ensaios libres de mañá, o domingo terán lugar os adestramentos oficiais desde as 10 horas, cunha manga clasificatoria fixada para as 13.30 e a finalísma ás 15:30 horas da tarde. Damián Ramos, entre a elite do ciclismo adaptado Apenas tres meses despois de debutar na Copa do Mundo e no Campionato de Europa, o galego Damián Ramos estrearase no Mundial, concretamente na categoría C-5, un evento que arrancou onte en Quebec e que se estenderá até o 14 de agosto. |
NOS_42531 | Após as catro competencias logradas o pasado mes de abril, o Goberno vasco continúa na senda das transferencias e solicita agora facerse co servizo de meteoroloxía e de salvamento marítimo para garantir unha mellor decisión e administración dos recursos, optimizar o servizo á cidadanía e achegar a ela os centros de decisión. Euskadi desenvolve así o seu autogoberno. | A comezos de 2019 a Lendakaritxa recibía un calendario elaborado polo Executivo de Pedro Sánchez para levar a cabo 33 das 37 transferencias reclamadas por Euskadi, co ano 2020 como obxectivo para o cumprimento dos traspasos. Tan só ficaban fóra das previsións as catro competencias relacionadas coa xestión da Seguridade Social que o PNV continúa na actualidade a reclamar. O nacionalismo vasco era, ao igual que o é agora, decisivo no Estado. «As transferencias non deben dilatarse durante máis tempo», sentenciou a titular vasca de seguridade Ese traspaso naceu dun acordo negociado entre o Executivo central e o vasco a finais de 2017 e acordouse en febreiro deste ano. Nel englóbanse varias materias que ficaban pendentes de transferir desde a promulgación en 1979 do Estatuto de Gernika. Ao atoparse o Goberno central en funcións desde abril, a maioría das transferencias quedaron bloqueadas. Entre as paralizadas atópanse as axudas previas á xubilación para traballadoras e traballadores afectados por ERE, a lexislación sobre os produtos farmacéuticos e os seguros escolares. A última transferencia que se produciu foi precisamente a da AP-68, no mes de abril, poucos días antes das eleccións. A axenda vasca imponse nas negociacións O músculo electoral de EAJ-PNV amosado nos comicios de novembro, que se traduciu en 32% de apoio, aumentando un punto respecto ao conseguido nas eleccións xerais de abril, sitúa a formación jeltzale nunha posición privilexiada para negociar a investidura de Pedro Sánchez. Nese marco de negociación o que prima é a axenda vasca, tal e como trasladou o portavoz do PNV no Congreso, Aitor Esteban, á propia Adriana Lastra, encargada do PSOE de levar adiante as conversas de cara á sesión de investidura. Os seis deputados e deputadas nacionalistas valoran apoiar Pedro Sánchez na presidencia do Goberno se hai un compromiso para desbloquear as transferencias que foron prometidas a comezos de 2019 e completar así o Estatuto de Gernika. Mais a axenda vasca tamén formula outras condicións, como son o respecto ao autogoberno, culminar a Alta Velocidade ou a defensa do sector enerxético. O nacionalismo vasco é necesario para dar estabilidade ao novo Executivo de PSOE e Unidas Podemos O nacionalismo vasco é necesario para dar estabilidade ao novo Executivo de PSOE e Unidas Podemos que até se chegou a apuntar por diversas analistas a posibilidade de que ambas as dúas formacións estatais poderían estar interesadas en convencer o PNV para que asumise unha carteira ministerial e estar, por tanto, presente no Consello de Ministras. Novas competencias para mellorar os servizos de emerxencias Mentres avanzan as negociacións, Euskadi tira da corda para facer valer a súa forza. Cuarta feira, 20 de novembro, a conselleira vasca de Seguridade, Estefanía Beltrán de Heredia, reclamou desde Donosti «o traspaso das competencias de Meteoroloxía e Salvamento Marítimo, e a súa integración plena no Plan Xeral de Seguridade Pública de Euskadi». No marco da xornada Alerta Kostaldean, reuníronse no Aquarium donostiarra personalidades expertas que analizaron os diversos tipos de impacto que xera a meteoroloxía adversa na costa e a súa influencia nas emerxencias. Tratouse así de como o estado da mar pode afectar as diferentes usuarias e xestoras da contorna costeira en praias, portos, estradas e paseos marítimos. Abordouse tamén a propia xestión do Departamento de Seguridade do Goberno vasco na costa. No seu relatorio, a conselleira Beltrán de Heredia sinalou que «a meteoroloxía é unha das transferencias que segue nun letargo administrativo sen sentido e que require xa dunha resolución definitiva», e puxo en valor o labor que desempeña a Axencia Vasca de Meteoroloxía, Euskalmet, destacando que «é un dos servizos máis apreciados e unha das marcas máis coñecidas pola cidadanía». A titular vasca de Seguridade concluíu a súa exposición subliñando que as transferencias «non deben dilatarse durante máis tempo». O PP alerta dunha nova fronte anticonstitucional O Partido Popular colleu ar en Euskadi após esnafrarse nas xornadas electorais de 28 de abril e de 10 de novembro. Eses dous domingos depararon cero representantes para a dereita española no Congreso dos Deputados. Pese aos malos resultados, o reconto do voto do electorado residente ausente (CERA) realizado após o 10-N arrebatou ao PNV a súa sétima acta que foi deparar ao PP por unha presa de votos. O borrador sobre un novo Estatuto «desborda a Constitución e recoñece o dereito a decidir», asegurou Alonso Agora, garantida a súa representación nas Cortes, o presidente do PP vasco, Alfonso Alonso, voltou á carga afirmando que en Euskal Herria se está a preparar unha nova fronte anticonstitucional contra España. A este respecto, Alonso asegurou que o decreto sobre o uso das linguas oficiais en Euskadi e o borrador sobre un novo Estatuto que está a elaborar un grupo de expertas a petición da Cámara vasca e que se debaterá proximamente no Parlamento son «inconstitucionais», e enmarcounas dentro desa fronte antiespañola. O líder popular chegou a afirmar que o seu partido defende mellorar e desenvolver o Estatuto de Gernika, mais asegurou que o borrador sobre un novo Estatuto «desborda a Constitución e recoñece o dereito a decidir». Por estes motivos alertou de que que «veñen curvas». O decreto sobre as linguas sinalado por Alonso nas súas críticas é un articulado aprobado esta semana polo Goberno vasco polo que se faculta ás entidades locais para decidir como regular o uso do euskera e o castelán nas súas relacións internas e públicas. O texto enmárcase nos obxectivos da Carta Europea das Linguas Minoritarias ou Rexionais, de forma que unha das súas pretensións é impulsar o uso do euskera nos municipios. Con todo, o decreto avala que a cidadá ou cidadán decida empregar a lingua que desexe. Alonso acusou o Executivo vasco de tratar de «usurpar» os dereitos á cidadanía e chamou á xente a «rebelarse» e expor «reaccións» ante o que considera un «ataque» ás liberdades. Así mesmo, o presidente do PP valorou que detrás do decreto se agocha a «ansia» do PNV por introducir na cidadanía as súas teses nacionalistas. Os populares están de feito valorando apresentar un recurso contra o decreto. Madrid non chama a Bildu En canto ao papel que xogará a forza da esquerda abertzale na sesión de investidura, a portavoz do grupo no Congreso, Mertxe Aizpurua, asegurou que a súa formación está agora «moi afastada» das posicións de Pedro Sánchez e esixiulle «feitos e non palabras» en favor do diálogo para resolver o problema político das nacións sen Estado. Só así falarán en Bildu das posibilidades de dar apoio ou de absterse na sesión de investidura. «Estamos á expectativa», afirmou Aizpurua Con todo, desde a formación da esquerda abertzale lamentan que non tiveron contactos oficiais co PSOE para falar da investidura xa que non recibiron ningunha chamada de Ferraz. «Estamos á expectativa», afirmou Aizpurua, quen lembrou que o pasado mes de xullo Bildu se abstivo nas dúas votacións ás que se someteu Pedro Sánchez. Nese sentido, a abertzale anunciou que, de o aspirante do PSOE apostar con firmeza polo diálogo para resolver os problemas políticos, elas actuarán con «responsabilidade». Aizpurua remarcou que a súa formación ten un acordo estratéxico con forzas soberanistas doutras nacións do Estado mais que non son forzas «monolíticas» e que no seu voto na investidura «influirán outros compoñentes», e adiantou que o seu sentido de voto será consultado entre as bases. Euskadi avanza e a Galiza agarda O pasado 5 de abril os tramos da autopista AP-68 que percorren territorio vasco transferíanse a Euskadi. Acontecía este feito tan só ás poucas horas de que o PNV e EH Bildu deran o seu apoio a seis decretos de Pedro Sánchez na Deputación Permanente do Congreso. Os seus votos eran esenciais. Mentres, a Galiza continúa agardando pola transferencia da AP-9, unha reclamación múltiples veces bloqueada desde Madrid e que agora reclamará de novo o Bloque nas Cortes. |
NOS_26328 | O deputado Raúl Fernández (Castrelo de Val, 1955) faleceu esta quinta feira 20 de xuño após padecer unha enfermidade. O PSdeG transmitiu o seu pesar polo seu pasamento e transmitiu as súas condolencias á familia e amizades. | Raúl Fernández, deputado polo PSdeG no Parlamento Galego, faleceu esta quinta feira 20 de xuño após padecer unha enfermidade. Desde o PSdeG comunicaron o seu pasamento e salientaron o seu "exemplo de honestidade, bo facer, traballo e dedicación ao longo de toda a súa traxectoria profesional e política, ademais dun compañeiro insubstituíbel neste grupo parlamentario". Raúl Fernández foi profesor desde o ano 1982 en centros de ensino de diversas localidades como Verín, Padrón, Boiro, Negreira, Castrelo do Val e Oímbra. No plano institucional exerceu a alcaldía de Castrelo do Val entre os anos 1987 e 2005. Precisamente nese ano foi designado delegado territorial da Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes na etapa do goberno bipartito con Emilio Pérez Touriño na presidencia da Xunta da Galiza. Recuncou como concelleiro na súa vila natal no ano 2011 e foi deputado provincial. A nivel orgánico ocupou a secretaría do PSOE de Ourense. Nestas dúas últimas lexislaturas foi deputado no Parlamento Galego facéndose cargo das políticas de infraestruturas. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, expresou nas súas redes sociais a "fonda tristeza no socialismo galego" pola morte de Raúl Fernández, "quen traballou duramente moitos anos por unha sociedade máis xusta desde todas as responsabilidades que ocupou". ⚫️ Acábanos de deixar o noso compañeiro Raúl Fernández Unha fonda aperta para a familia e amigos de quen foi un home adicado ao servizo público como alcalde da súa vila, Castrelo do Val, e como deputado no Parlamento de Galicia— PSdeG (@PSdeG) 20 de junho de 2019 Fonda tristura no socialismo galego polo falecemento do deputado autonómico Raúl Fernández, quen traballou durante moitos anos por unha sociedade máis xusta dende todas as responsabilidades que ocupou. Noso agarimo á familia e amigos. pic.twitter.com/a5Sk8Yug1z— Gonzalo Caballero (@G_Caballero_M) 20 de junho de 2019 |
NOS_31090 | O festival anula a edición de 2020. | O festival Work On Sunday (WOS) non realizará a súa edición de 2020, prevista para a segunda semana do mes de setembro en Santiago de Compostela, ante as perspectivas de evolución da crise do coronavirus. Nun comunicado, a organización do evento de música alternativa, que encaraba este ano a súa sétima edición, sinalan que "parece inviábel a día de hoxe" brindar ao público a "experiencia" completa do festival, que "inclúe ir pola rúa, sentir fisicamente Santiago, degustar a súa gastronomía, deixarse levar e mergullarse en propostas que a miúdo convidan á reflexión". "Ofrecer unha versión rebaixada desa experiencia sería vender un subproducto diluído, desvirtuado, moi por baixo desa proposta sincera e entregada que é o principal activo que WOS ten que achegar", inciden as organizadoras. Desde a organización inciden en que o espírito do festival reside en "valores que van máis aló dos intereses comerciais". Por todo iso, consideran acaído anular a edición deste ano e "centrar o foco do proxecto" no seu papel de "foro para o discurso e o pensamento". Desta forma, avanzan que proximamente daráse a coñecer a data de celebración do ciclo de conferencias, que ademais poderán seguirse por vía telemática. |
PRAZA_10183 | O alto tribunal rexeita por segunda vez revisar a sentenza que anulou o nomeamento da sobriña de Fraga por interferir nel Milagros Otero e pon o foco no seu "deber de abstención" | O alto tribunal rexeita por segunda vez revisar a sentenza que anulou o nomeamento da sobriña de Fraga por interferir nel Milagros Otero e pon o foco no seu "deber de abstención"O Tribunal Supremo vén de rexeitar, por segunda vez, un recurso da Valedora do Pobo contra a sentenza que anulou por "desvío de poder" e "arbitrariedade" o nomeamento para un posto "á medida" na institución de María Puy Fraga, irmá do portavoz do portavoz do PP no Parlamento de Galicia, sobriña de Manuel Fraga e filla dun catedrático de Dereito do que foi discípula a propia Valedora, Milagros Otero. A nova providencia emitida polo Supremo rexeitando por segunda vez as pretensións da Valedora evidencia novamente que a renuncia ao cargo que esta presentou a principios de abril tras coñecerse a primeira decisión do alto tribunal non foi tal xa que ao tempo seguiu recorrendo contra a decisión xudicial.Tras coñecerse en xuño do pasado ano a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que constataba a intervención de Otero para que Puy Fraga obtivese o posto, o PP condicionou o seu futuro ao resultado do recurso que a Valedora interpuxo ante o Tribunal Supremo. O pasado 28 de marzo o alto tribunal emitiu unha providencia coa que rexeitou tramitar ese recurso por entender que non tiña interese casacional, o que levou a Otero a poñer o seu cargo a disposición do Parlamento, pero adiando a súa marcha a que a Cámara elixa un substituto. Fíxoo cun escrito que modificou ás poucas horas para garantir a súa continuidade o máximo posible á fronte da institución e mentres o PP eloxiaba e presentaba como unha renuncia algo que non era tal e que lle permitía manexar os tempos fronte á oposición.O Supremo inadmite a trámite un incidente de nulidade presentado pola Valedora por considerar que a súa providencia previa rexeitando o recurso "axústase integramente ás esixencias" legaisAgora coñécese que ao tempo que a Valedora escenificaba aquela dimisión en diferido seguiu intentando que a xustiza lle dese a razón. A Valedora presentou un incidente de nulidade contra a providencia do Supremo do 28 de marzo que inadmitía a trámite o seu recurso e agora o alto tribunal vén de rexeitar novamente as súas pretensións. Nunha nova providencia con data do pasado xoves 16 de maio o Supremo inadmite a trámite o incidente de nulidade da Valedora por considerar que a súa providencia previa rexeitando o recurso "axústase integramente ás esixencias" legais. O Supremo insiste en que a sentenza orixinal do TSXG anulando o proceso que lle deu a praza a Puy Fraga "examina con detalle" a xurisprudencia existente sobre ese tipo de procedementos e non ten sentido que o alto tribunal volva a analizar o caso xa que "non é posible anoar o interese casacional a infraccións normativas determinadas, como o deber de abstención, cando o certo é que as mesmas se circunscriben ás concretas vicisitudes do asunto litixioso". O Supremo volve poñer así o foco no "deber de abstención" da propia Otero no proceso de adxudicación da praza, no que seguiu intervindo malia afastarse formalmente do mesmo e ao tempo que ocultaba a súa relación con Puy Fraga.A nova providencia do Supremo engade que a Valedora non acredita que o alto tribunal rexeitase o seu recurso previo de xeito irrazonable, arbitrario ou sen xustificación e insiste na "falta de motivación na designación" de Puy Fraga como elemento fundamental da sentenza orixinal do TSXG. Esta nova providencia do Supremo contraria aos intereses de Otero chega mentres o PP segue demorando as necesarias conversas co resto de grupos parlamentarios para nomear un novo valedor ou valedora, que require dunha maioría reforzada do Parlamento de Galicia. Mentres, Otero segue a exercer como Valedora do Pobo. |
NOS_36388 | O partido que consagrou ao Celta de Vigo como equipa de ascenso directo á máxima categoría rematou con empate e pouco fútbol. | Celta e Córdoba xogaron hoxe o seu partido. Coincidía no resultado que procuraban, un empate, e foi ao final un 0-0 o que rematou no marcador. Os de Paco Jémez realizou rotacións, tal e como avisara días antes, e Paco Herrera quixo sair coa equipa de gala, non era para menos cun Balaídos coas entradas esgotadas. Os 90 minutos de partido foron de posesións de balón interminábeis no centro do campo e en zonas onde non crear perigo. Cando a moitos quilómetros, no outro partido decisorio, o Guadalajara gañaba ao Valladolid a festa aumentou e a sensación de que xa se conseguira o ascenso correu por Balaídos. Ninguén pode dicir que no ascenso do Celta houbo outra cousa que fútbol, nin siquera en Valladolid onde o seu adestrador xa asimilou a derrota e a mellor situación do Celta. Os 90 minutos de partido foron de posesións de balón interminábeis no centro do campo O Celta sustituiu a Iago Aspas, Orellana e Mario Bermejo. Foi coma un premio a toda unha moi boa tempada e deste xeito tratouno @s máis de 30.000 siareir@s co seu aplauso. Pola súa parte os andaluces mudaron a Ximo Navarro, Borja García e Carlos Caballero. Ao remate o estoupido de paixón con bandeiras galegas fóra e dentro do campo. Moitos foron os xogadores que se animaron a levar o noso símbolo nacional, un símbolo que agora tamén veremos en primeira. Parabéns do DeporA equipa da Coruña xa enviou as súas felicitacións ao Celta a través da súa páxina web e un correo electrónico do seu presidente, Augusto César Lendoiro, en nome do Real Club Deportivo. Para Lendoiro o ascenso é "merecidísimo" e apunta que "desde agora, Galiza, nestes tempos tan complicados para todos, pode presumir de contar con dúas equipas na mellor Liga do mundo". |
NOS_23016 | Na véspera do Día da Patria, a Mesa pola Normalización Lingüística presenta o manifesto O Cinema herorico galego. Nel, da man de persoas e entidades do sector, chama a "posibilitar que a sétima arte, en todas as súas vertentes e correntes artísticas, fale galego". | "Coa licenza de reformular a célebre cita de Castelao, que reivindicaba a nosa lingua como quinta esencia da galeguidade", arrinca o documento, "pretendemos chamar a atención sobre o valor do idioma -desde unha perspectiva política, económica, cultural, xeográfica e histórica- e argumentar asía a necesidade dun compromiso firme co cinema rodado en galego". O texto estabelece unha peculiar xínea para o novo cinema galego e menciona os xograres Johan de Cangas, Meendinho ou Martín Codax-, Rosalía de Castro, o Manuel Antonio "que lle regalou o galego ás vangardas" ou o Blanco Amor "que escribiu a primeira novela moderna da literatura galega". E Chano Piñeiro, claro: "Abriu o camiño do cinema no noso idioma". "Porén, a cinematografía galega segue precisando heroes e heroínas que a fagan medrar ata elevar o voo e amosarse en toda a súa grandeza, aquí e acolá", apostila. "Igual ca a viticultura heroica non escatima esforzos en colleitar os mellores acios nos socalcos", engade, "o cinema heroico galego é un convite a destilar na grande pantalla un patrimonio cultural forxado durante séculos". Os promotores do manifesto tamén enumeran os exemplos da historia do cinema dos que, ao seu ver, pode aprender o galego: neorrealismo italiano, free cinema inglés, nouvelle vague francesa ou "en casos máis contemporáneos, o cinema xaponés, iraní ou coreano, ou mesmo os recentes éxitos do cinema de Euskadi coa película Handia [Jon Garaño, Aitor Arregi, 2017], rodada en éuscara, ou do cinema catalán co filme Estiu 1993, rodado en catalá [Carla Simón, 2017]". "Acaso o seu éxito e, daquela, a súa capacidade de transcender o tempo e o espazo", pregúntase O Cinema heroico galego, "non poderían radicar na súa autenticidade, na fideliadade á súa cultura, á súa terra, á súa lingua, bebendo sen complexos da súa esencia?". "O éxito do cinema galego non pode nin debe fuxir deste paradigma", engade. O documento sinala o vínculo cos países de fala portuguesa e a oportunidade que iso supón para as cineastas e os cineastas galegos e vai concluíndo cunha aposta polo galego "tento desde o punto de vista público como privado". "Apelamos polo cinema heroico galego por parte dos directores e directoras, dos e das guionistas, dos produtores e das produtoras, das empresas de produción, das salas de exhibición, da distribución, das institucións, dos medios de comunicación e da sociedade". O manifesto recada apoios na Rede. Entre eles xa se conta a sinatura da actriz e presentadora Nieves Rodríguez, a directora Anxos Fazáns, o director e autor do texto do manifesto Ignacio Vilar ou a actriz Mabel Rivera. Todas elas estiveran presentes na comparecencia pública ante os medios de comunicación que se realizou esta terza feira ás 11:30 horas na Libraría Couceiro de Compostela. |
NOS_43606 | Hoxe segunda feira comeza na cidade olívica o VI Ciclo de Cinema Português que nesta ocasión nos trae fitas asinadas por tres mulleres de distintas xeracións. | O Camões escolleu tres realizadoras que representan tres xeracións diferentes de mulleres detrás da cámara: Margarida Gil (1950-), Margarida Cardoso (1963-) e Cláudia Varejão (1980-). Dentro do espírito cineclubístico que segue esta institución de promoción exterior portuguesa, a entrada será gratuita e os filmes serán antecedidos por unha presentación e seguidos de debate con todos os presentes. O ciclo comeza hoxe segunda feira 16 de xuño ás 19h, con unha curta e unha mediametraxe. Trátase de 'Falta-me' (2004, 20') de Cláudia Varejao, e 'Carlos de Oliveira: sob o lado esquerdo' (2007, 49'), de Margarida Gil, que tamén estará presente na proxección, que introducirán a poeta María do Cebreiro e Joao Ribeirete. A seguinte proxección é o 17 de xuño á mesma hora, cando se amoará 'A costa dos murmúrios', de Margarida Cardoso (2004, 115'), cun debate moderado por Marta Pereiro. A última cita co cinema portugués terá lugar o 22 de xuño , cando poderemos ver un novo filme de Cardoso, 'Yvone Kane' (2014, 117'), presentado por Ana Gravata. Un dos aspectos máis interesantes do cinema portugués recente é a aparición de moitos nomes de mulleres por detrás das cámaras. Lembramos que unha muller, a realizador Leonor Teles (de só 24 anos), gañou en febreiro deste ano o Oso de Ouro na Berlinale coa curtametraxe 'Balada de um batráquio' (2016). |
NOS_4425 | O Observatorio recompila acontecementos ocorridos entre 2010 e 2014 mais advirte do seu carácter incompleto perante as "dificultades" para conseguir dados e información. | Galiza é a terceira comunidade do Estado español, "excluíndo Madrid, da que non hai datos", con máis persoas expedientadas e multas impostas polo Goberno en protestas, segundo datos do Ministerio do Interior. Só entre os meses de xaneiro (2012) e setembro (2013) foron abertos 110 expedientes sendo que as sancións económicas ascenderon a 35.100 euros, "unha cuarta parte do total" de todo o Estado español, sinala Esculca na introdución do seu informe. "Desde entón, a cifra non deixa de medrar", acrecentan, no que constitúe "só a punta do iceberg". Porén, Democracia envelenada non recolle só multas e sancións, senón tamén identificacións inxustificadas, vixianza coercitiva, limitacións do dereito á liberdade de expresión, información ou manifestación, abusos policiais e represión do exercicio de dereitos fundamentais, abusos motivados polo perfil da vítima ou a súa identidade nacional, política, de xénero... e mesmo aqueles relatos que parcialmente ficaron incompletos. Entre xaneiro (2012) e setembro (2013) foron abertos 110 expedientes e as sancións económicas ascenderon a 35.100 euros Para recompilar toda a información o método empregado por Esculca baseouse na posta en contacto con grupos , organizacións, colectivos , sindicatos e outros movementos á fin de "reunir datos sobre obstáculos e restricións impostas ao seu labor polas forzas policiais e os seus mandos políticos, nomeadamente por medio da aplicación do dereito administrativo sancionador e do dereito penal, alén de casos infelizmente subsistentes de agresións físicas", explican. Aliás, servíronse dos relatos de persoas individuais atinxidas por "violencia policial ou medidas administrativas arbitrarias" para alén de información pública. "Actos policiais nidiamente arbitrarios" "Moitas das actuacións consignadas no Relatorio como unha clara desviación de poder" Malia o traballo desenvolvido, recoñecen que o documento fica "incompleto" o que supón unha "eiva" mais parten da base de que "quen ten a información detallada son os suxeitos pasivos da actuación coercitiva e non é posibel observar directamente todos e cada un dos actos deste tipo que acontecen na Galiza". Así as cousas, con el quixeron "outorga o protagonismo aos colectivos e persoas activos no Pais como suxeitos nun ecosistema represivo-inquisitivo", afirman, "que é o que debuxa o relatorio". Dos resultados deitados pola investigación "sorprende", din, "a existencia de numerosos actos policiais nidiamente arbitrarios, sen vínculo algún coa finalidade de prevención da delincuencia ou sanción de faltas, delitos ou infraccións para a que o ordenamento xuridico confire aos corpos policiais esas facultades, agora sinaladas como disconformes a dereito". Neste senso, desde Esculca afirman que "se tivesemos que acudir a unha cualificación xuridica , non poderiamos menos que cualificar moitas das actuacións consignadas no Relatorio como unha clara desviación de poder" atinxindo "dereitos fundamentais, algúns deles cun teórico "corpus" de xurisprudencia constitucional tuitiva como o dereito de folga". |
QUEPASA_873 | Xa temos datas para a Liga Prebenxamín e a Fase de Clasificación á Liga Comarcal Alevín e Benxamín | Esta pasada fin de semana remataba a primeira fase das Ligs de F8. 5 xornadas tan só para que 2 equipos Alevíns e outros 2 Benxamíns poidan entrar na Liga Comarcal, con outros equipos da Coruña e As mariñas. Os Campións da primeira fase foron: En Alevíns: Xallas, Dumbría, Xallas B e Outes B. En Benxamíns: Xallas A, Camariñas, Outes e Cee. O Camariñás foi un dos campións en Benxamíns de F8, e tamén participa nas LCFS Fase de Clasificación Agora, competirán este domingo 17 de novembro a Fase de Clasificación para a Liga Comarcal nunga fase que se disputará no campo Cabo da Area. Os dous gañadores dos dous choques entre os mellores de cada grupo pasarán á Liga Comarcal, que en principio comeza o vindeiro 24 de novembro. Os enfrontamentos (non haberá prórroga e si unha tanda de 3 penaltis en caso de empate) son: Fase Final Alevín:- 11:00h: Os Miúdos B - Dumbría.- 11:00h: Xallas A - Outes B. Fase Final Benxamín:- 12:00h: Xallas A - Cee- 12:00: Camariñs - Outes. Liga Prebenxamín A Liga Prebenxamín terá calendario estes días, pero polo de pronto xa temos os dous Grupos e o comezo. Será unha liga a doble volta (14 xornadas) que comezará o 1 de decembro. A primeira fase rematará o 15 de marzo, e do 22 de marzo ao 3 de maio disputarase a Fase Final, en formato liguilla a doble volta entre os dous primeiros de cada grupo.O resto de equipos farán un grupo ligueiro de Copa, en dous grupos, e os dous primeiros participarán, xunto cos 4 campións, a Fase de Campións na Final da Copa da Costa, que se disputará o dmingo 17 de maio. Grupo Norte Grupo Sur Sofán A Cee Sofán B Os Miúdos Laxe Carnota Coristanco Dumbría Cerqueda Outes Vimianzo Esteirana Camariñas Xallas Zas Fisterra |
NOS_22117 | A hostalaría galega foi un dos sectores máis afectados pola pandemia da Covid-19. Nestas circunstancias naceu Hosfega, unha voz crítica que procura defender os intereses do seu ramo. Exixen un plan de rescate máis alá de axudas puntuais e desconfían das medidas adoptadas polo Goberno galego para este verán. | -Que significou a pandemia para a hostalaría galega? A maior crise que afrontamos nos últimos anos. -A pandemia evidenciou as eivas do asociacionismo anterior? Sempre se nos considerou un sector moi desunido. As asociacións das cidades galegas eran o referente que había. A necesidade creada nesta crise fixo que realmente concordáramos moitas asociacións e empresarios na idea de que a unidade era básica. Moitas veces non se comprendían os cambios na normativa ou mesmo as medidas que se nos impuxeron, cando sempre entendemos que eramos un sector bastante seguro. En ningún momento quixemos quitarlle voto ao resto. Constatabamos un gran baleiro no sector que tiña que ser escoitado. As mesas actuais non representaban as necesidades básicas do sector. -Cal é a razón pola que a Xunta non conta coa Hosfega? Nós temos que estar neses foros. Se a Xunta non o considera oportuno nós seguiremos pedíndoo. Estamos conseguindo que a hostalaría deixe de ser un mero intérprete e pase a ser protagonista dentro das decisións que se toman agora mesmo e de cara ao futuro. Non entendemos esa postura, unha representación como a nosa pode achegar moito. Un exemplo é a nosa defensa dun plan de rescate a medio e longo prazo. Unha vez que se supere a pandemia a crise económica vai perdurar un tempo no que hai que tomar medidas, xa non só de achegas directas, que consideramos escasas, senón outro tipo de medidas como redución de impostos, exclusión de taxas ou mesmo campañas de promoción para aqueles que durante todo este tempo aínda non abriron, como é o caso do ocio nocturno, ou en precario, como os hoteis. A nosa postura é de diálogo con todas as administracións, polo menos con aquelas que nos queren escoitar, independentemente do partido político que estea. -Como cualificaría a xestión da Xunta neste período? Houbo varios momentos. Estivemos en contra cando adoptaron certas medidas para a hostalaría. Fomos o único ao que se lle damnificou polos dous lados, polo tema sanitario e polo económico. E só querer falar coa xente amiga sen escoitar as discrepancias que poida haber... non o entendemos. Nós somos plurais, non temos ningún afán político. -Estase facendo ben a desescalada? Está a ser moi convulsa, cun cruce de normativas a nivel estatal e autonómico que o único que xera é incerteza e indefensión. Na situación epidemiolóxica na que nos atopamos, co índice de vacinación que estamos, estase a desenvolver unha desescalada moi lenta. Aínda temos o sector o ocio nocturno fechado. A piques de entrar no verán os hoteis precisan de campañas de promoción, non podemos confiar só no Camiño de Santiago cando aínda non sabemos que actividades se realizarán ao longo do ano para a súa promoción. Teñen que espabilar. As condicións da pandemia son boas e a evolución tamén e non entendemos unha desescalada tan lenta. Somos os primeiros defensores de que sexa dunha maneira ordenada, queremos seguir traballando e dunha forma segura e estamos quedando atrás. -Acertan coas probas que fan para o ocio nocturno? Está ben que fagan probas piloto mais non entendemos que aquí se fagan de mínimos. Cando se fai a proba de carga dunha ponte ponse a máximo posíbel para logo decidir canta é a que pode resistir. A proba real xa se fixo o verán pasado e o propio Ministerio de Sanidade afirmou que o índice de contaxio era maior no ámbito familiar. |
NOS_24353 | O executivo escocés veu responder deste xeito as declaracións do ministro español de Asuntos exteriores, José Manuel García-Margallo, quen en máis dunha ocasión dixo que tanto a Catalunya como a Escocia lles cumpriría o apoio unánime dos estados da UE para facer parte dela | "Escocia é parte do territorio da UE e os escoceses son cidadáns da UE. Non hai nada que indique que esta situación teña que mudar após a independencia. Escocia terá exactamente o mesmo trato, dereitos e obrigas que o Reino Unido". Son as palabras con que un voceiro do goberno escocés quixo refutar as ameazas do PP español ante o referendo convocado polo parlamento catalán para preguntar á cidadanía sobre a autodeterminación. Londres autorizou a consulta de Escocia sobre a independencia, fixada para o outono de 2014.O executivo escocés veu respostar deste xeito as declaracións do ministro español de Asuntos exteriores, José Manuel García-Margallo, quen en máis dunha ocasión dixo que tanto a Catalunya como a Escocia lles cumpriría o apoio unánime dos estados da UE para facer parte dela. A propia UE desminte o PP: "A lexislación internacional non di nada que se pareza a iso"O balbordo que as consultas cidadás produciron no goberno de Mariano Rajoy ficou constatado após a denuncia feita pública polo diario escocés Newsnet Scotland en que sinalaba o representante español na Comisión europea, Federico Fonseca Morillo, como responsábel das presións que tería recibido este órgano após declarar a súa vicepresidenta, Viviane Reding, que ningunha lei impediría que unha Catalunya independente ficase dentro da UE.Reding negou de maneira taxativa que exista impedimento algún na Convención de Viena para que un estado novo resultante doutro estado integrado na UE poida ficar dentro dos órganos europeos dos que xa facía parte antes da independencia. "A lexislación internacional non di nada que se pareza a iso", subliñou. Porén, Morillo non gostou da legalidade internacional e, segundo informou Newsnet Scotland, após a publicación da entrevista enviou unha carta ao rotativo, o Diario de Sevilla, para 'convidar' a que se omitise ese bocado da conversa. |
PRAZA_13437 | Cáritas alerta da "avalancha" de peticións de axuda "acuciantes" á que se enfronta por mor da redución de "servizos e prestacións públicas". Só na área de Compostela as persoas atendidas incrementáronse máis dun 159% en apenas un ano. | "Emerxencias por impagamento de recibos" como a luz, a auga ou a comunidade de veciños, axuda para facer fronte ao pagamento da vivenda, asistencia para sufragar o comedor escolar ou simplemente alimentos. Son algunhas das peticións que, convertidas en verdadeira "avalancha", ten que afrontar diariamente Cáritas, a organización non gobernamental nada ao abeiro da Igrexa católica pero con financiamento, funcionamento e patrimonio autónomos. Os seus representantes en Santiago veñen de presentar a memoria de actividades da organización correspondente ao ano 2011, un documento que transcende o entorno da capital galega non só en cifras senón tamén en diagnósticos que poden ser resumidos nun: os recortes sociais apoiados na crise económica fan que as persoas "pobres" sexan cada vez "máis pobres". O escenario no que se move a asistencia a unha pobreza cada vez "máis intensa e crónica" non deixa lugar ás dúbidas sobre a súa crueza. En máis de 60.000 fogares galegos xa non entra ingreso ningún, lembra o responsable de publicación da ONG en Compostela, Javier García Sánchez, e esta pobreza "afecta principalmente" á banda máis moza da poboación, persoas entre 16 e 24 anos que xa non tiveron oportunidade de asentar proxecto vital ningún, esencialmente pola "precariedade do emprego creada nos últimos anos, onde priman os baixos salarios e a temporalidade". En toda Galicia máis de 20.000 persoas estań en serio "risco de exclusión social", engade. Estas reflexións teñen tamén a súa tradución en cifras. O aluvión de peticións de axuda provocou que, só en Santiago, as asistencias de Cáritas aumentasen un 159,21% entre 2010 e 2011, con 71.598 persoas atendidas. A maior parte destas axudas préstanse nos servizos de atención primaria da organización, polos que no mesmo período pasaron case 60.000 persoas, un 13,19% máis que en 2010, pero un 699,11% máis que en 2007, ano no que precisaron acudir a Cáritas apenas 7.400 persoas. Tamén os servizos máis especializados viron incrementada a súa demanda, é o caso por exemplo da asistencia a persoas con problemas de drogodependencias, cun 189% máis ou a atención á muller, que subiu un 112%. Servizos prestados por Cáritas Santiago Servizo Diferenza 2010-2011 Atención primaria +13,19% Atención á muller +112,74% Axuda a persoas sen fogar +6,9% Asistencia a persoas drogodependentes +189,55 Total dos servizos +159,21% "As medidas adoptadas non están afrontando a crise, están aumentando aínda máis o empobrecemento e a desigualdade" Ao contrario do que adoita acontecer nalgunhas descricións xenéricas sobre a pobreza os responsables de Cáritas Santiago non morden a lingua á hora de enumerar as causas desta situación, dunha "sociedade máis dual" entre persoas con recursos e aqueles que carecen dos bens máis básicos. O director da entidade, José Antonio Mouriño, ten claro que o incremento da pobreza ten na crise económica a súa casua e esta, á súa vez, é "consecuencia do actual modelo de organización económica e social, un terreo abonado á codicia e á especulación". Neste contexto, Mouriño amósase convencido de que "as medidas adoptadas" dende os gobernos "non están afrontando a crise, senón que están aumentando aínda máis o empobrecemento e a desigualdade". É precisamente esa "ineficacia e escasa resposta da Administración ás vítimas da crise" o que provoca o espectacular aumento "de xente nas parroquias e nos centros de atención primaria" de Cáritas. Pero "cando a demanda de axuda é acuciante", "máis asistimos ao recorte" de prestacións públicas e tamén das achegas á propia organización non gobernamental. "Paira sobre os nosos proxectos o sempre difícil capítulo das restricións económicas", engade García Sánchez, nun contexto no que, lamenta, as "persoas na rúa" só "son noticia cando se produce algunha morte. |
PRAZA_2616 | Os traballadores e traballadoras esixen a incorporación dun maxistrado ou maxistrada de apoio, e o incremento dos recursos cos que contan. "A violencia de xénero mata, e a falta de interese mata", sinala o seu voceiro. | Alternativa na Xustiza - CUT denunciou este venres a situación de "caos" e "colapso" que se vive nos xulgados de Violencia de Xénero e nos xulgados de Familia de Vigo pola falta de medios e a ausencia de resposta da administración. Pablo Valeiras, voceiro do sindicato, sinalou que o xulgado de Violencia de Xénero sofre un constante "caos organizativo, de traballo, de urxencias e de coordinación", que afecta ao labor que realizan os seus traballadores e traballadoras. Valeiras alertou de que en moitas ocasións "medidas urxentes relacionadas con vítimas de violencia machista e con menores "tardan meses en ser tramitadas". No que vai de ano, o xulgado de Violencia de Xénero tramitou xa 900 asuntos, e a metade están sen resolver. Ten máis de 300 ordes de protección en vigor, 119 delas concedidas este 2015 Demandan a incorporación urxente dun novo maxistrado ou maxistrada "de apoio" e piden ter unha xuntanza urxente co conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, para tratar un reforzo integral dos recursos cos que contan para facer fronte a unha gran cantidade de traballo, que crece ano a ano. No que vai de ano, o xulgado de Violencia de Xénero tramitou xa 900 asuntos, e a metade están sen resolver. Ten máis de 300 ordes de protección en vigor, 119 delas concedidas este 2015. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa manifestou que actualmente "non hai ningún xuíz de reforzo dispoñible" na provincia de Pontevedra para poder atender a solicitude do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo. "A violencia de xénero mata, e a falta de interese mata", sinala o seu voceiro "Rueda, Feijóo e a dirección xeral de Xustiza son os principais responsables porque son os que teñen a capacidade de poñer os medios para solucionar os problemas", destacou Valeiras, que concluíu que "a violencia de xénero mata, e a falta de interese mata". Valeiras destacou o "voluntarismo" dos traballadores e traballadoras dos xulgados que levan a cabo labores que non lles corresponderían, como proporcionarlles "apoio psicolóxico" ás vítimas ou quedar "ao cargo dos seus fillos" no tribunal cando as vítimas non teñen con quen deixalos. Tamén teñen que ocuparse de evitar que o denunciado e a denunciante se atopen nas instalacións do xulgado, que cualifican de "irrisorias". Os traballadores e traballadoras destes dous tribunais anuncian o inicio dunha serie de medidas de protesta e paros ata que se remedie a situación. Haberá paros alternos de tres horas os luns, mércores e venres das dúas últimas semanas de decembro (os días 14, 16, 18, 21 e 23). E están convocadas igualmente concentracións os días 1 e 10 dese mes. |
PRAZA_5444 | A Axencia Tributaria desatende as reclamacións do Goberno galego para que se deteñan unhas sancións que non só continúan senón que se intensifican. Os afectados acusan o Executivo de Feijóo de "non facer ningunha proposta seria" para regularizar a súa situación. | Facenda non só non atende as reclamacións dos pensionistas emigrantes, senón que desoe as peticións da Xunta e mantén e incluso reactiva a campaña nas que se lles reclaman multas, xuros de demora e a contía das declaracións exixidas polas pagas que desde 2008 perciben dos diferentes Estados nos que traballaron. Todo, malia que nunca foran advertidos da obrigatoriedade de declarar esas cantidade ou cando mesmo foran informados de que non eran obrigatorias. As peticións da Xunta e do propio Feijóo ante o Goberno central e Facenda non deron resultado ningún Aquel acordo unánime no Parlamento galego, no que toda a Cámara solicitaba que non se mantivesen as multas aos emigrantes que regularizasen a súa situación, non serviu de nada polo momento. Tampouco as reclamacións por carta que a propia conselleira de Facenda, Elena Muñoz, fixo ante o Goberno central e a propia Axencia Tributaria nin as xestións do presidente Feijóo. E todo, malia que, tal e como adiantou Praza, Facenda si advirte agora nos borradores dos pensionistas afectados que deben declarar as pensións do estranxeiro, recoñecendo implicitamente a "desinformación" que denuncian os emigrantes. "Estanse delatando, asumindo que agora informan do que antes nunca informaron", di Manuel Domínguez, voceiro da Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados, que cre que, á marxe de que o Goberno central non estea polo labor de eximir das sancións aos afectados, a Xunta "non fai absolutamente nada para que Facenda cambie de parecer". "Limítase a recoller as nosas reclamacións e enviar cartas, pero sen ningunha proposta seria. En certo modo, é cómplice do Estado nesta campaña sancionadora", insiste. "A Xunta non fai nada para que Facenda cambie de parecer; é cómpice do Estado nesta campaña sancionadora" No Parlamento, e a pregunta do PSdeG, a conselleira de Facenda asegurou este mércores que a Xunta segue "pedindo á Axencia Tributaria que non impoña sancións aos emigrantes" ao non ter estes "vontade" de defraudar. "Resultados, cero", respondeulle a deputada socialista Carmen Gallego na Cámara, mentres ás portas se manifestaban varios afectados, advertindo de que "castigarán" o PP nas vindeiras eleccións europeas. Ademais, e segundo os cálculos que a Axencia Tributaria lle ofreceu á Xunta, serían 11.000 os pensionistas emigrantes que aínda están afectados pola campaña sancionadora. Tamén segundo estas cifras, a media das sancións elevaríase a algo máis de 270 euros, ao que habería que engadir os 600 euros que lles supoñen as liquidacións. Desde as plataformas de emigrantes retornados aseguran que as multas son superiores -de máis de 600 euros de media- e que non só non se reduciu o ritmo das reclamacións, senón que incluso se reactivaron. A Axencia Tributaria xa advirte de que sancionará aínda 11.000 pensionistas galegos "A campaña non só continúa, senón que se fai cunha certa prepotencia porque ao tempo que din que mirarán caso por caso non dan marcha atrás na retirada das sancións, que sería o máis lóxico. Se non somos defraudadores non temos por que ser sancionados", insiste Domínguez. Desde as diversas plataformas entenden que os afectados deben regularizar a súa situación fiscal, pero non entenden que se lles apliquen sancións e intereses de demora cando agora a propia Axencia Tributaria asume o seu erro ao informar do que antes non informaba. "Todos os días chegan novas sancións e recibimos chamadas de todos puntos de Galicia advertíndonos delas", asegura Xosé Lois Leirós, outro dos voceiros da Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados, que se queixa tamén do "silencio" da Axencia Tributaria, que nin recibe aos afectados nin lles informa sobre os resultados das súas reclamacións. A Coordinadora, que leva meses manifestándose, pide "a anulación de todos os expedientes sancionadores instruídos pola Axencia Tributaria e que lle notificaron nos últimos meses a persoas beneficiarias de pensións no estranxeiro por non tributaren por estas cantidades nos exercicios 2008-2012", ademais da anulación do cobro de intereses de demora e a modificación da lei para "garantir a igualdade de trato para os emigrantes retornados". Tamén reclama que se "anulen os requerimentos relativos aos exercicios compendidos entre os anos 2008 e 2012", así como que se revisen os convenios marco con outros países e que se modifique a normativa para que se fixe "un mesmo réxime do IRPF, con independencia de se estas proceden dun Estado ou de varios Estados". |
NOS_5459 | O festival terá lugar esta fin de semana na Carballeira do Pedregal na parroquia viguesa de Valadares. O cartaz inclúe grupos emerxentes locais e un programa de actividades complementarias para todas as idades | Esta fin de semana terá lugar en Valadares (Vigo) a XXV edición do Recoltallo, o festival "de música emerxente" que é un referente no país. Skandalo GZ na sexta feira, e Terbutalina, o sábado, encabezan un cartaz que se completa con grupos emerxentes locais, con actividades familiares e con varios obradoiros. Sara Alonso, da organización do Revoltallo, explicou que seguindo a mesma liña da traxectoria do festival se deu cabida a todos os estilos musicais, desde o trap en galego ata a música clásica ou os grupos instrumentais. Así, nesta edición estarán a Fanfarria Taquikardia, Son Trío, Boyanka Kostova, Cuarta Xusta, Blues do País, Treintañeras Cañeras, Cé Orquesta Pantasma, The Lelli Kelly's, The Manueles e DJ América. "Eu teño 25 anos igual que o Festival, polo que nacín e medrei co Revoltallo e vendo como ao longo deste tempo foi ofertando música emerxente para todos os públicos e o que pretendemos este ano é que incremente a asistencia de público", asegurou Sara Alonso "Este é un dos festivais que contan con apoio da Deputación por cumprir requisitos como o de organizar actividades tanto para a mocidade como para a cativada e o público adulto, por apostar pola igualdade de xénero e polo uso da lingua galega, e por ser un evento que xurde do propio tecido asociativo" afirmou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na presentación desta edición. |
NOS_40821 | O deputado Néstor Rego reclama ao Ministerio de Consumo que dea a coñecer o nome das compañías que estafaron as usuarias. | O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar na Cámara Baixa iniciativas para que o Goberno do Estado, e en particular o Ministerio de Consumo, castigue as prácticas fraudulentas na factura da luz de varias comercializadoras eléctricas que inflaron até 30% o recibo dos clientes. Rego reclama ao Ministerio que publique a lista de empresas que realizaron esa suba ilícita para que a cidadanía poida reclamar a devolución das cantidades cobradas indebidamente e que facilite mecanismos para exixir ese reintegro de maneira áxil e fácil. Fraude masiva A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia detectou que varias empresas comercializadoras de electricidade aproveitaron a entrada en vigor das novas tarifas para incrementar, de forma oculta e fraudulenta, a factura da luz. Porén, a CNMC non comunicou que compañías foron as que engordaron os prezos. Limitouse a pedirlles a regularización dos recibos co fin de reintegrarlle a cada consumidor os euros cobrados de mais. Información pública A formación nacionalista exixe que se dea a coñecer publicamente o nome de todas as compañías que realizaron este tipo de prácticas e considera "intolerábel" que o Ministerio de Consumo "só ameazase con dar a coñecer a identidade das empresas no caso de que continuasen con estas políticas". Para o deputado nacionalista, se existe unha infracción ou práctica fraudulenta "detectada e constatada", así como unha ocultación intencionada de información aos consumidores, cómpre "que se faga pública a listaxe de compañías que aproveitaron o cambio de tarifas para facer negocio". "Coñecer a identidade das empresas permitiría que as persoas consumidoras poidan revisar con máis atención as súas facturas e reclamar, de ser preciso, o diñeiro cobrado de máis de maneira inxusta e abusiva", afirma Néstor Rego. Dilexencias de sanción Neste sentido, o deputado solicita ao Ministerio de Consumo que adopte todas as medidas precisas para facilitar toda a información ao conxunto da cidadanía "que se abran xa as dilixencias de sanción polas súas prácticas no incremento dos prezos". Doutra banda, Rego tamén lle pide ao Goberno do Estado que actúe "de forma contundente ante este intento de enriquecimento abusivo e subrepticio, aproveitándose ademais dun momento especialmente delicado pola entrada en vigor das novas tarifas e polos prezos históricos que está a rexistrar agora a enerxía eléctrica". |
PRAZA_20336 | A Autoridade Portuaria retrucou ao duro informe do Tribunal redactando unha "visión alternativa" dos feitos apoiada en recortes de prensa na que afirma que subsanou un posible "accidente marítimo" O Tribunal de Contas constata "irregularidades" e sobrecustos do 27% no porto exterior da Coruña | O amplo informe co que o Tribunal de Cuentas fiscalizou o porto exterior da Coruña e detectou na súa xestión diversas "irregularidades" e sobrecustos do 27% inclúe tamén, como sempre sucede neste tipo de traballos, as alegacións da institución fiscalizada, neste caso a Autoridade Portuaria Coruñesa. Con esas achegas a entidade pública procura que o organismo fiscalizador modifique aspectos sobre as súas contas cos que non concorda -algunhas delas son aceptadas-, pero tamén ofrece unha "visión alternativa" á contundente conclusión final do Tribunal, segundo a cal unha década despois do inicio das obras "aínda non se logrou o obxectivo principal do proxecto", isto é, retirar do centro da Coruña o tráfico portuario de mercadorías perigosas -fundamentalmente, as da refinaría de Repsol-. Os responsables da Autoridade non só debuxan un panorama moito máis optimista que o Tribunal, senón que esgrimen cinco recortes de prensa para asegurar que grazas á posta en marcha do porto de Punta Langosteira a costa galega xa se librou dun accidente semellante ao do Prestige.A Autoridade Portuaria achegou ao Tribunal unha "visión alternativa" dos feitos na que afirma que subsanou un posible "accidente marítimo"Segundo a institución dependente do Ministerio de Fomento e mais da Xunta, esa "visión alternativa" dos feitos debería partir de que "tras algo máis de 7 anos de obras, sometidas a condicións meteorolóxicas propias do mar Atlántico, coa necesidade de modificar as condicións de execución" para "extremar as condicións da súa construción" e "preservar as máximas condicións de seguridade para os traballadores encargados" e mais "coa luctuosa noticia da perda de cinco vidas humanas na súa execución", o porto exterior xa está operativo. O Tribunal, abonda, debera considerar que durante 2016 xa se moveron en Punta Langosteira "máis de 700.000 toneladas" de mercadorías, entre as que se atopan "o 100% das descargas" de coke e Clínker de Repsol, empresa coa que, gábase, xa chegou en 2013 a un acordo para o seu traslado -afectará ao 60% do tráfico de hidrocarburos que actualmente son trasladados polo oleoduto que atravesa A Coruña-.O porto replica así ao informe que constata un sobrecusto do 27% e conclúe que unha década despois do inicio das obras "aínda non se logrou o obxectivo principal do proxecto"Alén de dar por feito o traslado de Repsol e a "liberación" dos terreos do porto interior, que a Autoridade defende vender para sufragar Langosteira, a Autoridade Portuaria describe neste punto o episodio que, afirma, proba que o porto exterior xa evitou unha catástrofe ecolóxica. "Recentemente -explica- xa se puido comporbar a súa versatilidade ao permitir o atraque (...) dun petroleiro cargado con máis de 148.000 toneladas de produtos petrolíferos, que pasando por diante das costas galegas se avariou un dos seus motores principais en condicións de navegación complicadas". O barco, relata, "entrou nas instalacións construídas en circunstancias de mar con ondas de 5 metros sen presentar ningún problema" e "podendo manifestar de forma clara" que "dita cuestión quedou cualificada como un incidente marítimo, o que se puido converter nun accidente marítimo"."Neste sentido", a Autoridade Portuaria coruñesa convida o Tribunal de Cuentas a "recordar" as "portadas de prensa" posteriores ao afundimento do Prestige, "coa gravidade que supuxo a nivel medioambiental" e que inclúe no documento "a título recordatorio". Estas son as imaxes achegadas"En decembro de 2016", co devandito episodio descrito, "o que puideron ser reprodución, unha vez máis, de ditas portadas" foron "noticias reflectidas na prensa" cun ton diferente, argumenta. Para reforzar a súa tese, anexa os recortes de catro informacións en dous diarios impresos, ademais da reprodución da referencia en primeira páxina a unha delas.A Autoridade Portuaria refírese ao petroleiro Max Jacob, que foi reparado en Punta Langosteira tras sufrir unha avaría que o obrigaba a navegar a baixa velocidadeO episodio ao que se refire a autoridade portuaria é a avaría do petroleiro Max Jacob, un buque con bandeira de Liberia de 274 metros de eslora -30 máis que o Prestige- que en decembro de 2016 transportaba 150.000 toneladas de fuel -algo menos do dobre que o Prestige- entre Rotterdam e os Estados Unidos. Á altura da costa galega o petroleiro sufriu unha avaría nunha das funcións do seu motor, que o obrigou a reducir a súa velocidade e provocaba que consumise máis combustible do habitual, como informou La Opinión. Así, aínda que o barco era maior que o Prestige, a avaría non é comparable á que sufriu o accidentado petroleiro no inverno de 2002, cuxos problemas empezaron cun forte impacto das ondas en pleno temporal e acabou partindo en dous. Tampouco son equiparables as características técnicas do buque nin a súa antigüidade, toda vez que o Prestige era un precario barco que navegaba dende 1976 e o Max Jacob foi construído no ano 2000.Aínda que a avaría non era de gran relevancia o armador decidiu reparala antes de internarse no océano Atlántico e por iso pediu permiso para realizar o arranxo na Coruña. As súas grandes dimensións impedían que entrase no porto interior, polo que foi enviado ao exterior. Así e todo, a entrada en Punta Langosteira non foi inmediata; o gran calado do barco -16,5 metros- provocou que, malia existir na zona ondas de ata 5 metros, tivese que agardar unhas tres horas á suba da marea para, axudado por tres remolcadores, acceder ao peirao de Punta Langosteira e realizar a reparación. Unha vez rematada, continuou a súa viaxe sen problemas. |
NOS_51085 | Fontes diplomáticas alxerinas criticaron esta "segunda traizón histórica", que ademais se produce no medio da crise enerxética. | "As autoridades alxerinas, sorprendidas por este brusco xiro da posición da antiga potencia administradora do Sáhara Occidental, decidiron convocar a consultas o seu embaixador en Madrid con efecto inmediato", publicou onte o Ministerio de Asuntos Exteriores alxerino nun comunicado. "Estamos moi sorprendidos polas declaracións das autoridades españolas relativas á cuestión do Sáhara Occidental", engadiu o Ministerio. Previamente fontes diplomáticas alxerinas criticaran a decisión do Goberno español de apoiar o plan de autonomía marroquí como solución para o conflito do Sáhara Occidental, un cambio de postura que consideran que "é a segunda traizón histórica ao pobo saharauí por parte de Madrid despois do funesto acordo de 1975". Foi daquela, o 14 de novembro, que España cedía a antiga colonia do Sáhara Español a Marrocos e Mauritania, sen ter en conta a vontade da poboación saharauí. Segundo apuntou a fonte citada polo portal de noticias alxerino TSA, "finalmente Marrocos obtivo o que quería de España". O Acordo de Madrid de 1975 foi inmediatamente denunciado pola Fronte Polisario, erixida en representante do pobo saharauí e que de inmediato proclamou a independencia da República Árabe Saharauí Democrática (RASD). As milicias da Fronte Polisario derrotaron as forzas mauritanas e Nuakchot renunciou á parte do Sáhara Occidental que se lle asignou no Acordo de Madrid, mais Marrocos, coa Marcha Verde, logrou impor o seu control sobre a parte costeira do territorio. En 1991 Marrocos e a Polisario asinaron un cesamento do fogo con vistas á realización dun referendo de autodeterminación, mais as diferenzas sobre a elaboración do censo e a inclusión ou non dos colonos marroquís impediu até o día de hoxe a convocatoria da consulta, que apoia a ONU a través da Misión de Nacións Unidas para o Referendo no Sáhara Occidental (Minurso). Segundo agravio de España a Alxeria En canto á relación estritamente bilateral entre Alxeria e España, Alxer é o principal subministrador de gas natural á Península nun momento delicado como o actual no plano enerxético. Alxer rompeu relacións diplomáticas con Rabat o pasado agosto e en novembro procedeu á clausura do Gasoduto Magreb-Europa (GME) que bombeaba gas até a península Ibérica a través de Marrocos. O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, falou o pasado 6 de marzo co presidente alxerino, Abdelmayid Tebune, quen reiterou non só o compromiso do seu país con garantir a subministración a España senón tamén a vontade de Alxeria de axudar no posíbel, como socio fiábel en materia enerxética que quere ser, aos europeos, segundo indicaron fontes gobernamentais. O ministro español de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, non quixo aclarar na sexta feira se Alxeria fora informada de antemán sobre o cambio de posición do Goberno, escudándose en que "a diplomacia require discreción", mais si se mostrou convencido de que non afectará á subministración de gas a España por parte deste país. "Alxeria demostrou repetidas veces que é un socio fiábel", sostivo, asegurando que mantén unha relación "fluída" co seu homólogo alxerino. No entanto, este é o segundo 'agravio' de España a Alxeria en pouco máis dun mes despois de que a principios de febreiro anunciase que accedera á petición de Marrocos de axudar a garantir a súa seguridade enerxética mediante a regasificación en España de Gas Natural Licuado (GNL) comprado por Rabat para o seu posterior envío a este país mediante o gasoduto GME. Entón, Alxer xa advertiu de que en ningún caso España podería facer chegar gas alxerino a Marrocos. Está por ver agora como reacciona o Goberno alxerino ante este xiro, que por contra foi moi celebrado por Marrocos e que dá por superada a crise diplomática que desencadeou hai case un ano a acollida en España por motivos humanitarios do líder da Polisario, Brahim Ghali. Polisario Pola súa parte, a Polisario expuxo a súa postura nas redes sociais: "A posición do Goberno de Pedro Sánchez está absolutamente en contradición coa lexitimidade, a ONU, a Unión Africana, a Unión Europea, a Corte Internacional de Xustiza e a Corte Europea de Xustiza. Ningunha recoñece a soberanía de Marrocos sobre o Sáhara Occidental". "É España xunto a Francia quen trazaron no seu día as fronteiras entre o Sáhara Occidental e os seus tres veciños, Marrocos, Alxeria e Mauritania; ten xa que logo máis responsabilidades xurídicas e políticas que outros na defensa das fronteiras internacionais recoñecidas", apuntaron nun fío na súa conta de Twitter. |
NOS_46028 | A cidadanía de Palestina afronta un dobre reto á hora de exercer a súa vontade democrática: por unha banda, as trabas que a potencia ocupante pon para que se vote en Xerusalén Leste; pola outra, a casta política que goberna a Autoridade Nacional Palestina, que ameaza con cancelar os primeiros comicios en 15 anos. | O pasado 15 de xaneiro, o presidente palestino, Mahmoud Abbas, anunciaba a convocatoria de eleccións parlamentarias e presidenciais ─as primeiras en 15 anos─ tras un acordo co partido islamista Hamas para pór fin ás divisións internas que caracterizaron a política do país nos últimos tempos. Un movemento forzado ademais polas críticas ante a falla de lexitimidade das institucións de Palestina, incluída a presidencia de Abbas. Dous meses e medio despois, os comicios están no aire. En principio, o 22 de maio están convocadas as lexislativas e o 31 de xullo elixiríase o xefe do Estado. Porén, os últimos acontecementos ameazan a súa realización. Ou que o resultado sexa lexítimo. Abbas, do partido Al Fatah (secular, nacionalista de centroesquerda), oficialmente é presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), creada en 1994 en cumprimento dos Acordos de Oslo, que asinaran un ano antes Israel e a Organización pola Liberación de Palestina (OLP). O Goberno israelí estaba presidido na altura por Isaac Rabin, asasinado dous anos despois por un xudeu ultraortodoxo de extrema dereita oposto aos acordos; e a OLP, por Iasir Arafat, líder histórico deste movemento armado nacido en 1964. A ANP é o partido maioritario dentro da OLP. O pacto estabelecía, por parte da OLP, o dereito de Israel a existir e a renuncia á loita armada; e, por parte de Israel, o recoñecemento de Gaza e Cisxordania como entes autónomos. Así nace a ANP, o organismo de autogoberno sobre estes dous territorios. Porén, en Cisxordania ten unha capacidade de xestión limitada pola presenza da potencia ocupante, Israel. E en Gaza, desde os comicios de 2006, é Hamas quen exerce o Goberno. Acoso a Hamas Aquí xorde o primeiro problema para o éxito do proceso democrático. O resultado daquela non satisfixo nin Israel, nin os EUA, e levou a unha guerra entre Al Fatah e Hamas, conflito que se estendeu durante estes tres lustros para satisfacción israelí. Daquela, ducias de membros electos de Hamas foron encarcerados (algúns aínda continúan en prisión). Hamas, acrónimo en árabe de Movemento de Resistencia Islámica, está clasificada como terrorista para, entre outros, Israel, os EUA e a UE. Ante a posibilidade de que a historia se repita, Tel Aviv xa comezou a manobrar. Segundo informou na cuarta feira a TV pública israelí, KAN, o xefe do Shin Bet, o servizo de intelixencia israelí, pediu a Abbas cancelar as eleccións se participaba nelas Hamas. Este teríase negado. E o 22 de febreiro, informou a axencia turca, Anadolu, 20 activistas e cargos de Hamas foron detidos en Cisxordania. Disidencias en Al Fatah Este é un dos tres pés do gato. O segundo sería o que afecta o poder que ostenta Abbas e toda unha serie de cargos que teñen acceso ás importantes doazóns de países contribuíntes á ANP. A xestión deste diñeiro leva anos a ser cuestionada, con frecuentes acusacións de corrupción e de caciquismo. Cómpre lembrar que a ANP tiña data de caducidade ─cinco anos de transición até a creación do Estado palestino─ e que o mandato de Abbas, elixido en 2006, era de catro anos. O reinado de Abbas está ameazado agora, xa non só por Hamas, senón pola disidencia interna. Na cuarta feira, Marwan Barghouti, un alto cargo de Al Fatah encarcerado en Israel e moi querido entre a poboación, anunciaba que concorrerá aos comicios. A Lei Básica Palestina permite aos presos participaren nas eleccións (entre outras cousas, porque a maioría dos líderes están encarcerados). Barghouti ─condenado en 2004 a cinco cadeas perpetuas e 40 anos de cárcere por tres ataques en Israel durante a Segunda Intifada─ irá na lista "Liberdade". Lidéraa Naser Al Qudwam ─sobriño de Arafat─ que foi cesado o 10 de marzo do Comité Central de Al Fatah tras anunciar a súa decisión de presentarse como candidato independente ás eleccións. Segundo a enquisa publicada esta semana polo Centro Palestino para a Investigación de Políticas e Enquisas, Hamas lograría 27% dos votos, Al Fatah 24% e unha hipotética lista de Barghouti ─aínda non comunicara que iría con Al Qudwa─ 20%. E de se presentar aos comicios do 31 de xullo, Barghouti sería elixido presidente. Circunstancia que podería forzar a Al Fatah e Hamas a negociaren unha lista conxunta. E Xerusalén Leste? E a terceira ameaza para os comicios vén de novo de Israel. Unha opción á que se podería aferrar como último recurso Abbas se ve perigar a súa continuidade. As autoridades palestinas levan tempo insistindo en que as votacións non se poden desenvolver sen a participación dos palestinos residentes en Xerusalén Leste. Mais Israel, que considera Xerusalén ao completo como a súa capital, négase en rotundo, e calquera cesión neste sentido socavaría a súa reclamación de soberanía sobre a cidade. Ademais, o Goberno israelí leva semanas bloqueando o acceso aos observadores electorais da UE, que "non recibiu resposta nas últimas sete semanas", segundo acaba de informar Bruxelas, que colabora co proceso de votación palestino tamén de forma económica. Israel sempre acusou as faccións palestinas de non se poren de acordo para a organización dos comicios. Agora, Abbas podería argüír o bloqueo israelí para seguir mantendo o statu quo, que tanto interesa a Tel Aviv. A esquerda non logra unha lista conxunta As últimas semanas de negociacións non conseguiron que as formacións palestinas de esquerda lograsen chegar a un acordo para uniren forzas e presentaren unha lista conxunta ás eleccións lexislativas do 22 de maio. Deste modo, a Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP), a Fronte Democrática para a Liberación de Palestina (FDLP), o Partido do Pobo Palestino (PPP) e a Iniciativa Nacional Palestina (INP) concorrerán por separado. En tanto que a Unión Palestina Democrática (FIDA) irá na lista de Al Fatah. Os tres primeiros ocupan posicións máis á esquerda, e os dous últimos adscríbense á socialdemocracia. Nas eleccións de 2006, a FPLP logrou 3 deputados no Consello Lexislativo (de 132); a FDLP 1; o PPP 1; e a INP 2. Todas fan parte da OLP. Hamas ten 74 e Al Fatah 45. |
NOS_41040 | Un informe da UXT recolle como máis de 60% das perceptoras de prestacións de menor importe son mulleres. | O coronavirus alarga a fenda de xénero nas prestacións por desemprego. É a conclusión dun estudo a nivel de Estado da UXT, que apnta a que son eles os que prciben as prestacións contributivas de desemprego con contías máis altas mentres que son elas as que perciben maiores prestacións asistenciais. "Mulleres á fronte, mulleres á retagarda. COVID-19, emprego e protección social" recolle que, no mes de marzo, 53% das persoas beneficiarias do conxunto de prestacións por desemprego foron mulleres, por 47% de homes. Con todo, explica UXT; se temos en conta o tipo de prestación recoñecida, as mulleres son 49,17% da prestación contributiva, mentres son maioría no nivel asistencial, como o subsidio desemprego (54,36%), chegando até máis do 60% como beneficiarias do subsidio agrario ou na Renda Activa de Inserción. A fenda tamén se dá na contía da prestación."A fenda na contía media bruta diaria da prestación por desemprego alcanza 18%". Neste sentido, os homes cobran 30,71 euros de contía bruta media diaria mentres as mulleres cobran 26,11. Esta diferenza é o resultado da brecha salarial que sofren as mulleres cando están a traballar, os seus salarios son menores e, por tanto, os seus biques de cotización son menores e tradúcense en contías inferiores na prestación contributiva por desemprego. Coronavirus agravou as desigualdades O COVID-19 agravou as desigualdades laborais de xénero, incide o sindicato. "As mulleres foron as máis afectadas pola pandemia, 56,16% do total de persoas que a sufriron de maneira máis directa. Isto é debido a que elas estiveron máis expostas tanto pola concentración do desempeño de traballos de primeira liña durante a crise sanitaria, como pola asunción de coidados na familia que veu sendo tradicional nos fogares". Desta forma, indica, as mulleres son maioría nos que foron chamados traballos de primeira liña, con 1.310.000 mulleres ocupadas nestes sectores de actividade, por 401.700 homes. En concreto, as traballadoras das Actividades Sanitarias e de Servizos Sociais son maioría, "o seu traballo está infravalorado e soportan unha fenda salarial de 29,33 % fronte aos seus compañeiros". |
NOS_3019 | Gaña por primeira vez o Memorial 'Pepe O Ruso' de Bueu, no que competiron 27 embarcacións. Ribeira gañou a regata feminina e Rianxo en veteranos. | Mecos meteu a bordo a primeira regata do ano e segunda da tempada, o memorial 'Pepe O Ruso', que leva catro edicións celebrandose en augas de Bueu. Nesta cita participaron un total de 27 traiñeiras. Os grovenses marcaron un tempo de 20:26:82, sacando unha vantaxe de dous segundos á traiñeira de Cabo de Cruz, unha das grandes favoritas sempre e en calquera regata que se despute en augas de Galiza e mesmo fóra delas. Os de Cabo gañaron as edicións 2017 e 2018 deste memorial. O terceiro posto foi para Bueu, club organizador desta competición. Na categoría feminina a vitoria foi para as remeiras de Ribeira e na de veteranos a traiñeira de Rianxo foi a que se fuxo co triunfo. A finais do pasado mes de decembro desputouse a primeira regata de traiñeiras da tempada, o memorial Lagar, no que a vitoria foi para Cabo de Cruz, embarcación que este ano é a única representación galega na elite da ACT após o descenso de Tirán. |
NOS_42933 | Nos últimos días, coa expansión do coronavirus por todo o mundo, incrementouse a actividade dos piratas informáticos, que buscan beneficio económico ou simplemente crear confusión e caos. Algúns destes grupos anunciaron unha "tregua" até que a "situación se estabilice". | A Organización Mundial da Saúde (OMS) sufriu a principios deste mes un ataque informático levado a cabo por hackers de elite, segundo informou nas últimas horas a axencia de noticias británica Reuters, citando fontes desta axencia das Nacións Unidas. O responsábel de Seguridade da Información da OMS, Flavio Aggio, sinalou que a identidade destes piratas informáticos non estaba clara, mais que non lograron o seu obxectivo. Aggio advertiu que os intentos de pirataría contra a axencia e os seus socios se dispararon desde que a pandemia se disparou no mundo. Alexander Urbelis, experto en seguridade cibernética, foi o primeiro en dar a voz de alarma cando constatou que un grupo de hackers que estaba a seguir activara un sitio malicioso que imitaba o sistema de correo electrónico interno da OMS. "Caín na conta axiña de que se trataba dun ataque en vivo contra a Organización Mundial da Saúde no medio dunha pandemia", dixo Urbelis, que non obstante dixo non saber quen era o responsábel. Outras fontes apuntan a un grupo avanzado de hackers coñecido como DarkHotel, que estivo levando a cabo operacións de ciberespionaxe cando menos desde 2007. Sanidade española A nivel local, a Policía Nacional española alertou nesta segunda feira que da ameaza dun virus informático que estaría a atacar os sistemas usados polo personal sanitario. Este virus propagaríase a través de correos electrónicos, enviados de forma masiva ás contas das traballadoras e traballadores sanitarios, informa a axencia de noticias española EFE. Sanidade francesa Tamén en Francia, informa L'Express, a Assistance publique-Hôpitaux de Paris, o organismo que xestiona os 39 hospitais públicos da Île-de-France, foi vítima estes domingo, 22 de marzo, dun "breve mais intenso ataque informático". Nomeadamente, produciuse unha "denegación de servizo" ou ataque "DDos" en dous dos seus enderezos de internet. O ataque requiriu cortar, temporalmente, o acceso externo aos correos electrónicos e ás ferramentas de teletraballo. Sanidade estadounidense Tamén, nos EUA, o Departamento de Saúde e Servizos Humanos descubriu que piratas informáticos atacaran os seus sistemas o domingo 15 de marzo pola noite. A axencia de noticias Bloomberg, que informou o ataque citando fontes anónimas, dixo que os hackers parecían centrados en atrasar a resposta da axencia á crise e que tentaron xerar confusión con rumores dunha corentena nacional. Phishing Ademais, aproveitando a actual pandemia e a preocupación da poboación, que acode a internet para informarse, hackers e ciberdelincuentes puxeron en marcha nas últimas semanas mecanismos para enganar os internautas de todo o mundo mediante o pirateo de dominios con temática relacionada co coronavirus. Neste sentido, cómpre acudir sempre a fontes fiábeis e contrastadas á hora de informarse. Tregua En declaracións a Bleeping Computer, algúns dos grupos que se benefician destes ataques anunciaron que os hospitais deixarán de ser o seu obxectivo durante a crise pola pandemia do coronavirus. Algúns afirman que nunca atacaron o persoal sanitario, mentres que outros anunciaron unha especie de "tregua" até que a "situación se estabilice". |
NOS_21612 | A figura de Federico García Lorca continúa a ser un lugar de encontros e desencontros para a cultura galega. Durante o final do século XX a autoría real dos Seis poemas galegos e o papel na súa creación de figuras como Eduardo Blanco Amor ou Ernesto Guerra da Cal foi fonte dunha polémica que aínda ecoa hoxe. Porén, as distintas caras e facetas do granadino continúan sendo obxecto de reivindicacións e tamén de desmitificacións. Entre o mártir republicano e a figura LGBTQ existe tamén un Lorca que quixo ser escritor en lingua galega. | "E incríbel que haxa locais onde estivo Lorca, como o Bar Viño, que sigan abertos e co mesmo nome". Henrique Alvarellos leva anos na teima de perseguir o poeta polas rúas estreitas da súa propia cidade. Fronte a algunha placa institucional, recoñece que os negocios privados, como este bar de Mazarelos ou o Hotel Compostela son máis refractarios a recoñecer ese rastro, algo que non deixa de ser unha oportunidade perdida. Tras publicar varias obras coa súa editora sobre o tema, acaba de saír á luz Federico García Lorca en Santiago de Compostela. O lanzamento coincide con varias actividades, como un roteiro que realizou na primeira quincena de outubro polos escenarios dese Lorca xacobeo, cunha vinculación coa cidade e coa propia cultura galega que é moito máis que anecdótica. "A miña ambición é que Santiago sexa considerada cidade lorquiana, como Nova York ou Buenos Aires, que nos reunamos o 5 de xuño ás cinco da tarde para lembralo". A reivindicación aspira a apousentar un "Día de García Lorca en Galicia" e tamén a deixar a súa propia pegada na cidade: o 25 de outubro unha escultura de Lorca acompañará as xa presentes de Valle-Inclán e Isaac Díaz Pardo na Alameda compostelá. Será nas escaleiras de Fonseca e mirando á de Rosalía de Castro. Trátase dunha relación entre ambos os poetas que non é casual e que o propio Alvarellos destaca especialmente no libro: "Cando Christian de Paepe exhuma a poesía de mocidade de Lorca en 1994 moi pouca xente repara na intensa presenza de Rosalía de Castro neses poemas inéditos". Alén dunha explícita "Salutación elegíaca a Rosalía de Castro" (Quiero que con estos claveles sangrientos / Llegue a tu sepulcro mi llanto y mi voz), Henrique Alvarellos identifica ritmos e tópicos rosalianos como a negra sombra, unha influencia que ten certa continuidade na poesía que Lorca comeza a publicar anos despois. O editor ten clara a calidade de poeta como produtor en lingua galega: "vese claramente nos orixinais de "Danza da Lúa en Santiago", que está producido nun galego cheo de erros, pero da propia pluma do autor, e sen correccións de ninguén", comenta, recoñecendo porén o clásico papel que de "dicionario vivo" tería Ernesto Guerra da Cal nos poemas galegos. Porén, para Henrique Alvarellos, hai máis elementos para aceptar a Lorca na galeguidade, un deles a propia vontade do granadino de ser autor en lingua galega. "Como dixo Fernández del Riego, non podemos esquecer que Lorca veu a nós, a súa relación coa galeguidade é unha opción persoal non forzada por outros actores para dar lustre á nosa literatura". Menciona tamén unha cita que se conserva na correspondencia con Blanco Amor na que Lorca alude á súa escrita en galego como máis "vocacional", fronte ao peso da profesionalización que lle impuña escribir en castelán. As dúbidas Máis dúbidas neste sentido formula Antón Lopo, director da editorial Chan da Pólvora: "Hai estudosos como Arturo Casas que pensan que non forma parte da literatura galega aínda que teñamos eses poemas autógrafos onde se ve que escribe persoalmente un galego con erros". Porén a calidade do autor non é discutíbel: "para min representou toda unha descuberta na nenez e na adolescencia, son dunha xeración que non estudaba galego e os poemas galegos de Lorca foron a consciencia de que a nosa lingua era universal. Aínda hoxe o considero unha desas voces únicas da poesía, como a de Rosalía de Castro ou a de Fernando Pessoa". Chan da Pólvora presentaba en 2018 unha edición crítica dos Seis Poemas Galegos feita por Luís Cochón e Manolo González. "En realidade é unha primeira edición, pois son autógrafos e apógrafos que non estaban editados e onde tivo moito peso o arquivo de Blanco Amor". Lopo describe este libro como unha edición pedagóxica pero que porén incluíron en "Rabo de egua", "a única colección maronda da edición galega", comenta, destacando a faceta do autor como un símbolo das minorías LGBTQ... Prestaríache continuar a ler este artigo? Podes facelo mercando o número de Nós Diario desta sexta feira nos quiosques ou na nosa loxa online. Evita perder temas apaixonantes subscribíndote e recibindo o xornal na casa! |
NOS_30531 | O coñecido como Team Galiza agarda demostrar a boa saúde no país desta disciplina deportiva tan espectacular como comprometida socialmente no choque que o enfrontará o 20 de marzo no polideportivo de Monte Alto contra as asturianas do Güestia a partir das 12.30 horas da tarde. | "Motivador, pero con presión". Así define Raquel Ohana, xogadora do Team Galiza, o encontro que este domingo (12.30 horas, pavillón polideportivo de Monte Alto da Coruña) disputará este combinado galego na Liga Nacional ARDE (Asociación de Roller Derby de España) contra a Güestia de Asturias e que converterá por primeira vez as coruñesas Brigantias Roller Derby nas anfitrioas deste certame estatal. Porque esa é a gran novidade deste ano: o roller derby galego será un, un combinado co melloriño das jammer, bloqueadoras ou pivotes da Galiza. "O roller derby é un deporte autoxestionado e o noso interese creando este equipo neste campionato é que todo o mundo poida chegar a competir ao máximo nivel posíbel dentro do Estado", conta Raquel sobre ese Team Galiza, que xurdiu tamén como necesidade despois da explosión da Covid-19. "Na anterior edición -antes da pandemia- participamos as Brigantias, pero fomos cun roster de oito xogadoras até Murcia. Xogamos na Manga do Mar Menor e malia ser só oito clasificámonos para a final. Iso foi unha pasada, porque íamos cun cadro moi precario, xa que o máximo é de 22 persoas", explica. Por iso, despois de que as competicións se retomaran tras a crise sanitaria, as Brigantias, vendo que outra vez chegaban un pouco "xustas" de cadro de xogadoras, decidiron darlle forma a un novo proxecto, o Team Galiza: "Esta é a nosa oportunidade para xuntarnos e tender lazos con outros clubs da Galiza". Entón foi cando falaron con xente coa que xa tiñan relación, e tamén se puxeron en contacto con todos os equipos, co obxectivo de crear un conxunto que permitise demostrar o potencial e a calidade deportiva do roller derby no país. "O interese é xogar, pasalo ben, tender lazos e fomentar os valores de igualdade e de inclusión", conta Raquel Ohana. Porque iso é, precisamente, o que máis marca o roller derby como deporte, unha filosofía chea de valores e inclusiva: "Por exemplo, unha persoa non binaria ou unha muller trans poden participar como tales, ou antes dos partidos o persoal da arbitraxe pregunta se algunha compoñente ten un problema auditivo para telo en conta para repetir e ter máis consideración". E chega agora o debut na casa, despois de que a competición do Team Galiza se estreara hai unha semana en Reus contra as Insumises, vencendo con contundencia por 182 a 89. Malia ese bo inicio, Raquel destaca que non se marcan metas máis alá de pasalo ben e recuperar os partidos e a experiencia que se perderon durante a pandemia. "É difícil, porque nós non somos como o resto de equipos, ao ser un mix non adestramos tanto tempo xuntas. Tes xente de Vigo, de Ourense, da Coruña... non é o mesmo un así que outro que adestra sempre xunto", explica a brigantia. Ademais, o coronavirus deixou tamén un baleiro de información, porque non se sabe a quen lle puido prexudicar máis ou menos o parón. Por iso afrontan o partido coa visión dunha festa que tamén convenza as cidadás de achegarse até Monte Alto para gozar do roller derby. Para iso, a xornada completarase con partidos da liga galega da modalidade, unha competición que ten como obxectivo enfrontar os equipos do país en catro xornadas repartidas por todo o territorio galego. |
PRAZA_11591 | O Goberno galego subvenciona o Servizo de Apoio Familiar impulsado pola Asociación de Pais e Nais Separados. Entidades feministas e de protección da infancia alertan sobre a desprotección que pode xerar nos casos de violencia de xénero e abusos non denunciados e denuncian a súa relación coa desacreditada 'Síndrome de Alienación Parental' | Nos últimos meses está a poñerse en marcha o denominado Servizo de Apoio Familiar (SAFIM), impulsado pola Asociación Galega de País e Nais Separados co financiamento da Xunta de Galicia e a dirección técnica da Unidade de Psicoloxía Forense da USC. SAFIM busca traballar con familias en situación de divorcio ou separación, sobre todo en procesos denominados "conflitivos" e nos que hai menores de idade implicados e implicadas. O apoio do Goberno galego a esta iniciativa e a participación nela da Asociación Galega de Pais e Nais Separados están a recibir unha crítica xeneralizada por parte de entidades feministasO apoio do Goberno galego a esta iniciativa, a participación nela da Asociación Galega de Pais e Nais Separados, a introdución da figura do coordinador parental e a súa relación co desacreditado 'Síndrome de Alienación Parental' están a recibir unha crítica xeneralizada por parte de entidades feministas, asociacións de loita contra a violencia de xénero e entidades de protección de menores. É tamén rexeitado polo conxunto de forzas políticas da oposición, que demandan o peche deste servizo e a retirada do apoio económico achegado pola Consellería de Política Social. SAFIM ofrece servizos de mediación e de coordinación parental, que poden chegar a ter unha enorme relevancia no desenvolvemento do procedemento civil cando se deban tomar decisión sobre o réxime de custodia e/ou visita dos fillos e fillas menores de idade, con consecuencias moi prexudiciais nos casos de agresións machistas e abusos non denunciados.A figura do coordinador parental é impulsada pola Fundación Filia, defensora da denominada 'Síndrome de Alienación Parental', desacreditada pola medicinaEste luns foi presentado en Ferrol un escrito neste senso asinado pola Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) e outra trintena de colectivos, entre elas a Asociación de Profesionais dos CIM, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, a Marcha Mundial das Mulleres ou a Plataforma Feminista Galega.O texto conclúe lembrando que os procedementos de mediación son útiles só cando se accede a eles de forma voluntaria e que non se poden aplicar nunca en situacións nas que existan indicios de violencia. E fai fincapé no rexeitamento da figura do coordinador parental, creada pola Fundación Filia, unha entidade que nos últimos anos "leva aos espazos públicos o seu discurso negacionista da violencia de xénero e o abuso sexual infantil". A Fundación Filia é, ademais, unha das principais defensoras da denominada Síndrome de Alienación Parental (SAP), un termo psiquiátrico creado nos anos 80 por Richard Gardner e que foi rexeitado e desacreditado pola maior parte dos profesionais e institucións médicas, comezando pola OMS. A SAP vén sendo empregado por numerosos avogados e en bastantes ocasións aceptada por xuíces para rexeitar acusacións de violencia de xénero e de abusos sexuais a menoresA SAP nomea a suposta "manipulación psicolóxica" que un dos dous proxenitores realizaría sobre os fillos ou fillas nos procesos de divorcio e vén sendo utilizado por moitos pais en contra das nais para poñer as disputas sobre a custodia ao seu favor. A pesar de ser rexeitado de forma case unánime polos profesionais e a comunidade científica, a SAP vén sendo empregado por numerosos avogados e en bastantes ocasións aceptada por xuíces para rexeitar acusacións de violencia de xénero e de abusos sexuais a menores. As entidades denunciantes critican neste senso "a formación en favor da SAP que ofrece a Unidade de Psicoloxía Forense da USC" así como o programa Ruptura de parella, non de familia, por considerar que "se trata dunha forma encuberta de aplicar a SAP".A Xunta anunciou o pasado ano a súa intención de favorecer a introdución da figura do mediador e do coordinador parental para que interveña nos divorcios con fillos co obxectivo de "evitar ou minimizar conflitos" e de reducir a "xudicialización" destes asuntos. E no mes de xaneiro deste ano a figura do coordinador de parentalidade foi proposta para ser debatida no Parlamento. Porén, a proposta foi retirada debido á resposta contundente de colectivos, expertos e expertas as e partidos políticos "contra esta figura de corte misóxino que parte da negación da problemática da violencia de xénero", lembra a Marcha Mundial das Mulleres.Entidades feministas denuncian que os denominados "divorcios conflitivos" poden estar encubrindo casos de violencia de xénero, xa que o 65% da violencia machista non se denunciaHai diferenzas entre a mediación parental e a coordinación parental, de xeito que o coordinador parental intervén cando a mediación fracasou. Mentres que a mediación é voluntaria, a coordinación non o é, e de feito o coordinador é elixido polo propio xuíz. O coordinador debe velar ademais para que se cumpra a sentenza xudicial de custodia e o réxime de visitasO financiamento do Servizo de Apoio Familiar, impulsado pola Asociación Galega de País e Nais Separados, implica un apoio da Xunta á polémica figura do coordinador parental, moi criticada polas entidades feministas, que denuncian que os denominados "divorcios conflitivos" poden estar encubrindo casos de violencia de xénero, xa que o 65% da violencia machista non se denuncia, segundo os datos do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero. O termo coordinador parental véndese como neutro e pretende identificar unha realidade que é inventada para que a súa aplicación sexa lóxica, sinalaban neste artigo Estrela Gómez Viñas e Xabier Ron, no que denunciaban que "a imposición dun coordinador obrigará á muller a ver como o maltratador accede a algún tipo de trato favorecedor con respecto aos seus fillos ou fillas".As entidades denunciantes lembran o posicionamento da Asociación de Pais e Nais Divorciados "en contra da Lei de Violencia de Xénero e da Lei de Igualdade AGAMME e as restantes entidades denunciantes subliñan que a Asociación de Pais e Nais Divorciados de Galicia "é un colectivo formado en gran parte por persoas afectadas, que son ou foron parte en procedementos xudiciais" e que, polo tanto, "non é adecuado que unha entidade destas características realice este tipo de tarefas que deben ter, como punto de partida, a imparcialidade". Critican que este servizo, que pode ser aplicado por calquera xuíz, se deixe en mans dunha entidade de parte. E lembran así mesmo o posicionamento desta asociación "en contra da Lei de Violencia de Xénero e da Lei de Igualdade por considerar que atacan os dereitos humanos", así como "a súa constante intención de minimizar o impacto da violencia de xénero". AGAMME subliña que "unha actuación inaxeitada neste ámbito pode poñer en risco o benestar de persoas menores de idade" e denuncia que dende a Unidade de Psicoloxía Forense da USC e o Grupo de investigación en Psicoloxía Xurídica da UVigo, que tamén colabora con SAFIM, se está a difundir a filosofía da Síndrome de Alienación Parental (SAP)."Non é adecuado que unha entidade destas características realice este tipo de tarefas que deben ter, como punto de partida, a imparcialidade"A Asociación de Pais e Nais Divorciados de Galicia está a realizar unha campaña de presentación do servizo en todo o país, con actos en Compostela, A Coruña e Vigo e, igualmente, con entrevistas co Fiscal Superior de Galicia e o Presidente do TSXG, a quen lles presentaron os programas incluídos en SAFIM e a nova figura da coordinación parental, que queren promover entre a xudicatura. Esta entidade foi unha das principais impulsoras da ILP en favor da fracasada Lei de Custodia Compartida, unha norma que de ter sido aprobada tería incrementado a desprotección das mulleres e menores vítimas de violencia de xénero. |
NOS_48652 | O ensino público superior atravesa tempos decisivos. Así o entenden os dous candidatos á reitoría da Universidade de Compostela, que esta segunda feira, 23 de abril, escollerá goberno para os vindeiros catro anos. As opcións reeditan o proceso de 2014: o catedrático de Dereito Financeiro Antonio López e o actual reitor, catedrático de Matemática Aplicada, Juan Viaño. | "O principal reto que enfrontamos ten a ver co persoal", considera Antonio López (Barreiros, 1964). Centro trinta profesores e profesoras e 50 traballadores de adminsitración e servizos menos son as cifras que manexa. "Temos que recuperar eses postos", engade. A súa plataforma, denominada Xa, defende "un plan de estabilización e promoción do profesorado" e a "eliminación da precariedade tantono persoal docente como no PAS". O paso dos profesores contratados a titulares e a promoción de titulares a catedráticos, ademais de se adiantar "na renovación do persoal que se achega á xubilación" son tamém prioridades para a súa candidatura, que agrupa sectores progresistas -de esquerda e nacionalistas. "En recursos e financiamento público debemos recuperar máis do que se perdeu nestes anos", afirma a Sermos Galiza, "pero a situación na universidade segue a ser de crise". A escusa da recesión económica serviulle á Xunta de Alberto Núñez Feixóo para reducir o orzamento dedicado ás universidade e ao I+D+i -en que o ensino superior xoga un papel fundamental. "Partimos dunha situación moi difícil", admite o actual reitor Juan Viaño (Boqueixón, 1955), "mais debemos facer unha lectura positiva". Os datos que ofrece a Sermos falan de 50 millóns de débeda acumulada e 16 millóns de déficit cando chegou ao Pazo de Fonseca, sede da reitoría. "Fixemos un plan de reequilibrio financeiro, refinanciamos a débeda e adquirimos un compromiso co persoal", di. O resultado, engade, é unha redución da débeda a 30 millóns e o déficit a nove. "Abrimos unha senda de crecemento para o futuro", asegura. Viaño, que se amosa comprensivo coas políticas do Goberno galego, lembra que a Lei de Estabilidade Orzamentaria do ministro Montoro "limitou as taxas de reposición durante a primeira etapa do mandato". Ao 10% no caso dos docentes e ao 0% no persoal administrativo. Non obstante, puntualiza, "a situación mudou, e aínda que, debido sobre todo á demografía, a universidade non está nun período expansivo". A súa promesa electoral é levar a reposición de docentes e investigadores ao 116% entre 2019 e 2022. Segundo informa a páxina web da institución, 25.522 estudantes están matriculados nalgunha das 156 titulacións de grao, mestrado e doutoramento da USC, a máis grande das tres universidades galegas. Retos segundo os candidatos Á parte da recomposición do cadro de persoal, o futuro inmediato da universidade virá marcado, para Juan Viaño, pola "transformación dixital". Cun discurso de ecos tecnocráticos, o reitor saínte considera necesarias mudanzas tecnolóxicas "na xestión e na actividade principal, que é a transmisión de coñecemento, a docencia". A revisión "das maneiras de funcionar" da universidade e dunha "estrutura administrativa pensada hai 25 anos" atópanse entre as prioridades do seu equipo, presentadas baixo o epígrafe Somos USC / Somos dixitais. Antonio López tamén pon o acento nos traballadores e traballadoras. "O que se fixo no mandato que agora remata foi axustar ingresos e gastos a forza de axustar no persoal docente e administrativo", sinala, e acusa a Viaño de "seguidismo da Xunta" e de "renunciar a exercer a autonomía da universidade". A maiores, salienta a necesidade de democratizar a institución. "Cómpre recuperar as formas de funcionamento da institución, a autonomía, o claustro, ao que non se lle presentou o informe anual de xestión en catro anos", di, "e o consello de goberno ten que ser o principal órgano de goberno da universidade". Sobre a política da Xunta Ese "seguidismo" do Goberno de Feixóo que denuncia López lévao a considerar que as turbulencias financeiras aínda non remataron e a expresar a súa preocupación porque, de saír delas, "non se recupere máis do que se retallou". A botella medio chea percíbea Viaño, para quen o panorama "é moi esperanzador". A reconfiguración do mapa de tiulacións, "baseada na especialización das universidades e na demanda da sociedade", é, ao seu ver, "unha aposta de futuro". Nota: de arriba a abaixo, Antonio López e Juan Viaño, candidatos a reitor da Universidade de Compostela. |
NOS_47938 | Vidas sorprendentes, obras descoñecidas, episodios ocultos, historias silenciadas. O Álbum de Mulleres que promove a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega recupera as biografías dun cento de mulleres. | Desde o 2005 no que se iniciou o Álbum de Mulleres, aos poucos fóronse sumando biografías até o cento ao que chegan neste 2012. Participantes na Resistencia como Placeres Castellanos ou Mercedes Núñez, xornalistas da altura de Concha Castroviejo ou Mª Luz Morales, personaxes históricas de nomes case míticos como son os de Exeria, Urraca ou Inés de Castro, guerrilleiras como Enriqueta Otero e exiliadas entre as que atopamos a Isabel Rios, Amparo Alvajar ou Syra Alonso son algunhas das que o proxecto dá a coñecer. Canda elas, colectivos femininos como as mulleres das Encrobas, as que participaron no Seminario de Estudos Galegos ou as irmáns Fandiño toman parte deste centro de documentación dixital que ten como obxectivo dar a coñecer a historia das mulleres galegas ou relacionadas coa Galiza.No proxecto da Comisión de Igualdade, coordinada por Mª Xosé Agra, as biobibliografías pódense agrupar nos distintos ámbitos de actuación, do xurídico ao docente, do deportivo ao artístico, do literario ao agrícola alén daqueles nomes que destacaron pola súa acción político-social ou por sofreren a represión franquista. En cada unha delas, ademais da información arredor da vida, inclúese documentación anexa, fotos e distintos recursos que completan os perfís biográficos. O Álbum sorprende pola súa dimensión, porque dá conta de numerosas historias de mulleres que desenvolveron traxectorias esforzadas en distintas áreas profesionais e das que, maiormente, descoñecemos os seus logros.Ademais das biobibliografías, o álbum inclúe liñas do tempo en que destacan os feitos protagonizados polas mulleres ao longo da historia. Especiais dedicados aos diversos ámbitos temáticos arredor das mulleres son materiais de grande valor polo seu acervo documental que se atopan tamén no Álbum de mulleres. Os traballos monográficos dedicados á celebración do 8 de marzo, ao teatro, á memoria histórica, ao mar, a literatura infantil ou as letras ofrecen unha información exhaustiva coa compilación e reprodución de infinidade de materiais documentais.Como actividade da Comisión de Igualdade, cada ano celébrase unha xornada dedicada a analizar a traxectoria dunha muller que, por distintas razóns, tivese destacado nunha determinada área de actuación. Xohana Torres no ámbito literario, Mª Wonenburger Planells no das matemáticas ou Olga Gallego no eido documental foron as mulleres protagonistas desta programación anual. Á marxe da celebración da xornada dedicada a elas con estudosas da súa obra e mulleres relacionadas coa súa disciplina profesional, o álbum incorpora cada ano unha "cartografía" elaborada arredor da muller que centrou a xornada. Cada cartografía introduce datos biográficos, documentos ou imaxes que, por veces, son o máis amplo achegamento biobibliográfíco da figura seleccionada. As intervencións das participantes no programa das xornadas tamén son accesíbeis no Álbum.Alén deste arquivo dixital, desde o ano 2005 a Comisión de Igualdade comezou o proceso de recuperación da memoria do movemento feminista organizado. Con este fin, están a recuperar fondos das organizacións xa sexan documentos como cartas, revistas, panfletos, follas voandeiras ou boletíns ademais de recorrer, tamén, aos arquivos privados e individuais dalgunhas feministas participantes do movemento. |
NOS_8341 | Esta segunda feira amenceu con perto de 2.000 fogares en Galiza que continuaban sen luz. Afectados critican o que consideran "desleixo" e "abandono" por parte das eléctricas así como a "indiferenza" da Xunta. | "Estamos a carón do encoro de Portodemouros, onde se xera moito electricidade, e nós levamos sen luz xa catro días. Deben de estar a mandala toda para Madrid". Xosé Díaz é veciño dunha aldea de Touro, a uns 25 quilómetros de Compostela, e el, canda a súa compañeira e o fillo, tiveron que deixar a súa casa para ir a duns familiares. O motivo, que levan sen luz desde que a pasada quinta feira de madrugada, unha situación que lles impide facer vida con normalidade. Na aldea na que residen, explica, hai veciños que tiran de equipos electróxeno. "A empresa dixo que ía poñer grupos electróxenos para dar electricidade a esta aldea pero nada, non o fixo", denuncia. E son xa moitos días sen luz. Este veciño afirma que se puxo en contacto con Fenosa e despois de moito insistir logrou que lle informasen que unha brigada estaba a traballar na zona para reparar os danos e que volvese a luz. Unha versión que el desbota: "Estaban traballando noutros puntos, aquí, non, non chegaron ata o domingo". Lamenta que o rural sexa, máis unha vez, prexudicado. "Entendo que actúen primeiro nas zonas con máis incidencias mais non pode abandonar o rural, onde a falla de luz causa tamén moitos problemas". Sostén, con deixe de retranca, que se o que caese co temporal fosen as torretas "que levan a luz para Madrid" axiña serían reparadas polas eléctricas. Neste punto, Díaz denuncia o que cualifica de "abandono" e "desleixo" político. "Noutros concellos movéronse para axudar os seus veciños mais aquí, en Touro, nada de nada", afirma, ao tempo que considera que a Xunta "tampouco está a facer nada" perante un problema que afectou ducias de milleiros de fogares e que aínda afecta case 2.000. |
NOS_52730 | O número de traballadoras estranxeiras situose de media en 39.575 na Galiza o pasado ano, 10,4% máis que en 2018. | A afiliación estranxeira medrou con forza en 2019 na Galiza. O ano fechou cunha media de 39.575 afiliadas estranxeiras, após gañar 3.734 entre xaneiro e decembro, o que supón 10,4% máis que no mesmo período do exercicio anterior, segundo os datos publicados onte pola Seguridade Social. O incremento de traballadoras estranxeiras na Galiza é especialmente relevante se se compara co resto de territorios do Estado español, onde a media se sitúa en 6,63%, case catro puntos por baixo da galega. De feito, Galiza lidera os incrementos, seguida de Euskadi (9,75%) e Nafarroa (9,38%). Con todo, en comparación co mes anterior, en decembro pérdense 391 afiliados (-0,98%), unha baixada que contrasta coa lixeira subida rexistrada na media estatal (+0,07%). A distribución por réximes é de 31.415 no xeneral (27.087 no subtipo xeral, 1.150 no agrario e 3.178 no fogar), 6.910 autónomas e 1.250 no do mar. Do total, 22.204 son homes e 17.370 son mulleres. Así mesmo, en relación á súa orixe, 16.202 proceden de países da Unión Europea, con Portugal no primeiro posto, mentres que 23.373 son de fóra da Unión. Neste caso, con Venezuela liderando a listaxe. Datos estatais No conxunto estatal, a Seguridade Social gañou en 2019 de media 132.133 traballadoras estranxeiras, o que sitúa o número de inmigrantes en alta no máximo histórico de 2.124.982 ocupados. Do total de inmigrantes en alta ao finalizar o ano pasado, 1.774.759 cotizaban no Réxime Xeral; 346.375 en Autónomos; 3.806 no Réxime do Mar, e 41 no do Carbón. Os grupos máis numerosos proceden de Romanía (341.530), Marrocos (268.239), Italia (126.151) e China (108.945). Séguenlles Colombia (75.427), Ecuador (72.908), Reino Unido (68.472), Venezuela (66.901) e Bulgaria (59.970). |
NOS_11715 | A Xunta argumenta que a empresa cumpre cos pregos das concesións hidroeléctricas ao manter a actividade nas plantas de ferroaliaxes para non ter que rescatalas. | Sen mediar ningún tipo de comunicación previa e sen dar tampouco ningunha data para a súa posta en marcha, a empresa Xallas Electricidade e Aliaxes (Xeal) paraba esta semana o forno 14, o único que mantiña en activo na planta de Cee, aducindo o alto custo da enerxía. Porén, cando TPG-Ithaka comprou no verán de 2019 os activos da compañía a Ferroatlántica ─firma controlada polo empresario Juan Miguel Villar Mir─ non só incluíu as plantas de ferroaliaxes de Cee e Dumbría, senón tamén unha serie de centrais hidroeléctricas nos ríos Xallas e Grande asociadas a actividade das fábricas. Precisamente, unha resolución de Augas da Galiza impedindo a segregación de actividades ─ratificada posteriormente polo Tribunal Supremo─ foi a que motivou que Villar Mir decidise vender en bloque estes activos a un fondo de investimento, aínda que na práctica, como denuncia o presidente do comité, Alfonso Mouzo (CIG), segue a actuar como unha subcontrata, xa que é a que compra toda a produción. "Nós vimos denunciando desde agosto do 19 que se trata dunha venda fraudulenta, xa que a empresa só estaba interesada na produción de enerxía eléctrica, porque as decisións de produción quedaban en mans de Ferroatlántica, como se fóramos unha subcontrata", explica Mouzo a Nós Diario. Retirada das concesións Sobre o incumprimento das concesións, o presidente do comité asegura que a empresa "estase a lucrar cos exaxerados beneficios caídos do ceo", porque o megawatt hidráulico "élle moi económico e está a vendelo a prezo de ouro". "A Xunta ten que pórlle a man enriba dunha vez por todas, porque as concesións foron feitas para facer ferroaliaxes e non para deixar esmorecer as fábricas", abunda. A este respecto, exixe á Administración "que faga cumprir as cláusulas ou que lles retire as concesións", xa que Xeal "está a desmantelar o centro de traballo e a acabar co que na comarca coñecemos como a fábrica, porque é a única industria que hai". "Non sei a que máis espera", lamentou Mouzo, que aproveitou para afearlle ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, que dous anos despois da venda e após múltiples peticións, non teña accedido a recibirlles para abordar estas cuestións. A Xunta fai a vista gorda O que quedou claro é que o Executivo galego non está interesado en rescatar as concesións. A este respecto preguntou onte o BNG en comisión parlamentaria, mais a resposta da Xunta foi que, ao seu entender, Xeal está a cumprir coas cláusulas, xa que "a empresa segue a funcionar e a ter actividade", explicou a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, que incidiu en que a cláusula que vincula as dúas actividades é "central" e está totalmente "en vigor". Fronte a iso, o deputado nacionalista Daniel Pérez asegurou que, desde que mudou a titularidade, "perdéronse 110 empregos" e existe un "descenso da actividade produtiva inxustificado". "O único que lles interesa aos novos donos é a explotación dos pingües beneficios da produción eléctrica", engadiu sobre o que cualifica unha "segregación encuberta". Beneficios que marchan Xeal, controlada por un fondo norteamericano, non tributa na Galiza, de aí que o presidente do comité considere que o feito de que vaian para os Estados Unidos de América (EUA) os froitos de explotar "os recursos públicos de todos os galegos e as galegas", cando aquí a empresa está a destruír empregos "é un pouco surrealista", argumenta Mouzo. Xeal conta na actualidade con dez centrais hidroeléctricas nos ríos Xallas e Grande que suman unha potencia instalada de 167 megawatts (MW) o que, segundo Mouzo, daría para cubrir as necesidades dos dous fornos que seguen activos en Dumbría e mesmo para a do forno 14 de Cee. Ademais, a empresa contempla a posibilidade de levantar unha central de bombeo en Mazaricos, a financiar con fondos europeos, para incrementar o volume de enerxía que xera. |
QUEPASA_205 | Quizais as primeiras fotografías do Faro Fisterra. | Non só imos tratar sobre as que consideramos as primeiras fotografías da Fervenza do Ézaro, senón tamén dos primeiros textos que atopamos sobre o mesmo tema. Para esta tarefa situamos no 1936 o límite das nosas pescudas, continuar más aquí dese ano faría este pequeno traballo inviable pola inxente cantidade de material producido dende aquela data ata os nosos días. Pero antes de meternos de cheo nese asunto, acompañaremos o decorrer do río que lle pon cabo a súa viaxe de forma tan espectacular. O XALLAS: UN RÍO SINGULAR Neste traballo referirémonos a este río co nome de Xallas ou Ézaro indistintamente. Esta última ou a forma Lézaro eran as denominacións máis comúns historicamente do treito final do seu percorrido e con unha ou outra figura en numerosos mapas antigos. Segundo os especialistas o topónimo Ézaro provén da raíz isaros/oisaros, de procedencia moi antiga, que á súa vez contería a alternancia eis/ois/is, de orixe indoeuropeo e que significaría "moverse rápida e violentamente". Significado en total concordancia cos últimos quilómetros do noso río e sobre todo coa súa explosión final. O Xallas con só sesenta e catro quilómetros e medio de longo posúe, entre os ríos galegos, un dos percorrido máis singulares. A maioría dos cursos fluviais experimentan nos primeiros quilómetros unha forte aceleración con precipitados saltos e pasaxeiros obstáculos, froito da orografía montesía da que manan. Conforme se achegan ao remate da súa carreira van acurtando a marcha en consonancia cos dilatados vales polos que transitan. Pola contra, o Ézaro dende o seu nacemento na fonte das Leiras Longas preto da aldea da Castiñeira (Bazar – Santa Comba) ata alcanzados os dous terzos ben cheos da súa traxectoria, camiña por terras practicamente chans, de amplas ribeiras e espallados horizontes; avanzando preguizosamente, ensarillándose en numerosos meandros, desdobrando a súa canle para formar, aquí e acolá, algunhas insuas. De cando en vez as vastas panorámicas que se abren ao seu paso están limitadas por algunha importante elevación, mais sempre ao lonxe. Só no efémero intre que atravesa entre a costa de Corzón e os montes da Fervenza pode ter un presentimento dos grandes traballos que o esperan augas abaixo. O río Xallas entre os montes da Ruña e a costa dos Buxantes. Na marxe esquerda podemos ver unha parte da devesa de Anllares e alá no fondo o Pedregal do Pindo Como xa dixemos, cando outros ríos encaran a última parte do seu itinerario vital coma vellos de andar lento e cansado; no momento que o Xallas chega a Vilar de Colúns rexuvenece a súa alancada e cunha afouteza descoñecida na vagarosa viaxe que o trouxo ata aquí, enfróntase aos atrancos dunha natureza cada vez máis esgrevia, cada vez máis preminte, cada vez máis impenetrable. Se os largacíos horizontes definiron o seu rumbo ata Vilar, agora o val vai estreitarse tanto que teríamos que falar dunha congostra, dun reducido paso entre as pronunciadas e prolongadas valgadas dos montes da Ruña e da costa dos Buxantes primeiro, e das afiadas arestas do Pedregal do Pindo despois. O pequeno e recollido val das parroquias de Arcos e Santa Uxía atópase coma un lixeiro desafogo no medio destes dous delongados chanzos nos que o fluxo acuático ten que empregar toda a súa forza e determinación para saír airoso diante de tan contundentes opoñentes. Se é senlleiro o seu percorrido o seu remate eleva aínda máis a súa excepcionalidade. Curtido no duro trafego de abrirse camiño tallando a mesma rocha nai, cando esa rocha se creba en violentos derrubes a máis de 145 metros de altura, a auga con toda a súas enerxía acumulada lánzase cunha imparable aceleración na procura das atraentes e liberadoras inmensidades do Atlántico. Na súa impetuosa caída esvarando, rozando, rebotando nas paredes da montaña sagrada dos celtas, somérxenos nunha turbadora música de acordes construídos polo gurgullar continuo e arrítmico do líquido elemento que nos traslada aos intres primixenios nos que xermolou a vida no Planeta. A fervenza do Ézaro a maiores de atesourar o son da Creación, ofrécenos o fastoso espectáculo da corrente fluvial en constante, cambiante e precipitada emanación, semellándose a un eterno "ferver" das augas que se van convertendo en formas de ilimitada, abstracta e volátil plasticidade; posuidoras da luminosa brancura do mármore de Carrara, mais alleas a súa dureza e tan efémeras que en segundos se disolven en fumegantes vapores ou son absorbidas pola pequena ría. Toda unha función, non exenta de dramatismo, que ben puidera ter servido de inspiración a Bernini ou a Salvi para deseñar as magníficas escenografías de auga e pedra que engrandecen algunhas prazas de Roma; só falta que brote do pozo que se forma ao seu pé algunha criatura fantástica ou algunha deidade celta para dotala dun argumento mítico ou lendario. A fervenza do Ézaro só recupera toda a a súa plenitude nas xornadas de intensas chuvias. Fotografía de Mario Rodríguez Deste sucinto percorrido polo curso do Xallas, agás pola máis demorada descrición da fervenza, fonte principal do noso interese, deixamos fóra a luxuriante vexetación que sombrea o camiñar de todos os ríos do noso País e onde a devesa de Anllares ocupa un lugar sobranceiro; a súa confluencia con outros ríos e regatos, sobresaíndo o Abuín e o Beba polo importante caudal que lle aporta; as numerosas presas e muíños que dinamizaban o fluír das augas; os pasais, as pontellas e as pontes que permiten a comunicación entre as dúas ribeiras e que podemos exemplificar na de Brandomil e na da Ponteolveira; e, sobre todo, as poboacións que ao longo do tempo se foron asentando á ambas marxes con mostras dende a afastada Idade de Pedra. Tamén obviamos a súa importante función como lindeiro entre entidades administrativas diferentes. Ata 1833 dende a ponte de Brandomil ata a súa desembocadura dividía as xurisdicións do conde de Altamira, agás a parroquia de Baíñas que pertencía ao mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago, do Alfoz de Muros que era do señorío do arcebispo compostelán. O tramo anterior a esta ponte pertencía a xurisdición de Xallas, tamén baixo o dominio arcebispal. A partir de 1836 coa creación dos novos Concellos temos, outra vez, augas arriba de Brandomil ao axuntamento de Santa Comba. E desta antiga infraestrutura de comunicación para baixo atopamos pola dereita e nesta orde os axuntamentos de Zas, Vimianzo e, sobre todo, Dumbría. Pola ribeira esquerda está o concello de Mazaricos, entrando o de Carnota nun pequeno treito xa ao remate do curso fluvial. Este foi o río que coñeceron os nosos antergos e os miles de peregrinos que ao longo de setecentos anos fixeron o Camiño de Fisterra ou o do Santuario de Muxía. O que viu Xosé Isla de la Torre, o Alcalde Maior dos Estados de Altamira en 1724. O que atravesou na Barca dos Cregos o pai Sarmiento en 1745. O que cruzou camiño da Virxe da Barca Diego Juan de Ulloa, un membro do cabido da catedral de Santiago e grande promotor do barroco compostelán no século XVIII. O que inspeccionou o ilustrado Xosé Cornide en 1789 para avaliar o estado dos camiños que conducían ás vilas da Costa da Morte. O que lograron superar pola Ponteolveira os exércitos napoleónicos en abril de 1809 a pesar da improvisada oposición armada da poboación autóctona, co infausto resultado da destrución de Cee e Corcubión. O que andou e desandou nas súas innumerables viaxes de Ponteceso a Santiago Eduardo Pondal, o bardo das glorias celtas. O que contemplou Rosalía de Castro, a nosa poeta nacional, cando en 1853 convidada por Pondal, asistiu á romaría da Barca. En fin, o que observou con ollos de poeta o escritor e xornalista Lisardo Barreiro, do que trataremos máis adiante. Aínda que felizmente algunhas das condicións paisaxísticas e construtivas que citamos seguen en pé, outras moitas foron transformadas drasticamente, froito do intenso e temerario aproveitamento do río para a produción de enerxía eléctrica ao longo dos últimos 116 anos. Ata catro encoros deformaron o seu curso natural. A zona dos grandes remansos caracterizada polas pequenas insuas e os grandes meandros que formaban parte do inmenso val ao que contribuían as parroquias de Alborés, Brandoñas, unha pequena parte de Baíñas, un case que nada de Olveira e boa parte dos Vaos está debaixo do embalse da Fervenza dende 1966, un dos de maior superficie de toda Galicia. Dende antes de chegar a Colúns ata a aldea de Campelo as augas volven rebordar da súa canle orixinal, aínda que neste caso agás no primeiro quilómetro, o profundo encaixe polo que transita o río absorbe sen grandes desfeitas o aumento de nivel. Este encoro denominado "Ponteolveira" entrou en funcionamento ao mesmo tempo que o da Fervenza que deixamos máis arriba. Cando as augas abandonan a central deste último embalse, a menos de un quilómetro, son novamente apartadas de seu curso orixinal para conducilas por unha canle paralela ao río pola marxe do Concello de Dumbría ata a central de Castrelo, que non está nesta aldea de Mazaricos, senón ao pé da fervenza do Ézaro. O nome procede do lugar no que se sitúa a presa que desvía o fluxo acuático deixando un bo treito do río, augas a baixo, practicamente seco. A construción desta canle a mediados dos anos corenta do século pasado, uns treitos a ceo aberto e outros por medio dun túnel perforado na rocha, deixou un regueiro de damnificados entre os operarios que a levaron a cabo. A total inexistencia de medidas de protección xerou un elevado número de casos de silicose que trouxo aparellada a morte prematura de moitas das persoas que materializaron a obra. En 1990 remataban os traballos de construción do último encoro do río Xallas que asolaga, entre as parroquias de Arcos e Santa Uxía, o derradeiro val que forma o río antes de despenarse ao mar. Este embalse que toma o seu nome da última freguesía citada absorbía e amplificaba a vella presa que tiña Electra del Jallas nesta mesma paraxe dende o ano 1914, da que aínda se conservan os restos da central transformadora. Fáltannos por tratar os inicios da produción eléctrica neste río, mais como tiveron lugar no treito cronolóxico que estudamos, farémolo no seu momento. O LONGO REGUEIRO QUE DEIXA A FERVENZA NA LETRA IMPRESA E NA FOTOGRAFÍA A relación de referencias que seguidamente imos ofrecer non é exhaustiva nin o pretende, moitas desbotámolas nós mesmos por repetitivas ou insignificantes e outras, como é natural, descoñecémolas. Unhas poucas son bastante coñecidas, pola contra, a maioría durmían esquecidas en vellos xornais e revistas. No caso das fotografías tamén achamos un número algo maior das que aquí aparecen, a súa ausencia débese a un criterio de calidade. Durante moitos anos os resultados obtidos ao imprimir fotografías en libros, revistas e xornais estaba moi afastado da calidade que posuía a imaxe orixinal. Só as técnicas máis complexas coma o "huecograbado" ofrecía garantías, mais tiña un elevado custe, empregándose en publicacións bastante exclusivas. Este é o motivo polo que non reproducimos algunhas das fotografías que atopamos. Con todo, entre as que si incluímos, tamén as hai cunha baixa definición, pero decidimos publicalas polo seu alto valor testemuñal. Agás casos de moi difícil comprensión mantemos a ortografía orixinal dos textos. A primeira referencia da fervenza do Ézaro que atopamos foi realizada en 1724 por Xosé Isla de la Torre, Alcalde Maior dos Estados de Altamira en Galicia e Asturias, e forma parte dun longo informe sobre as posesións desta familia nobre. Deste texto sobresae o valor da refulxente brancura das augas na súa caída como sinal orientadora das neves mariñeiras. Di como segue: "Divide esta Jurisdicción de la de Muros el caudaloso Río de Olveira, que desde el monte Ézaro se despeña en el Océano tan perpendicularmente a legua y media de Corcubión que levantan sus espumas densísimas nubes útiles a los navegantes, que a la distancia de muchas leguas las reconocen, para no dudar la costa en que se hallan, siendo muchas la abundancia de Reos, que allí se cogen, pero con peligro de la vida, porque el menor descuido se hallan sumergidos en el Mar de la violencia con que cae el Río, los Pescadores y Barcos". No ano 1745 o pai Sarmiento fai unha viaxe por Galicia tomando notas do que lle merecía máis consideración nun diario. Aínda que non viu a fervenza, sabía da súa existencia e preguntou por ela. Transcribimos a información que lle deron: "No pude acercarme a ver como se despeña, pero pasé cerca del sitio, y me informé, que cae, no haciendo salto o catarata, sino precipitándose y haciendo como cascada y haciendo un pozo de inmensa profundidad, y peligroso y levantando uno como monte de espuma y polvoreda, pues el Ézaro lleva muchísima agua. Esto no obstante los marineros van hacia aquellos sitios, a pescar, y echar "secadas" pero con reserva de acercarse al pozo, y caída". No título desta sección falamos de letra impresa, mais os textos anteriores son manuscritos e non foron publicados ata ben avanzado o século XX. A pesar de que o de Sarmiento xa era coñecido por algúns investigadores e eruditos dende finais do XIX, a súa transcendencia na época en que foron escritos foi nula. Un xénero moi propio do XIX e do seu positivismo científico foi o dos dicionarios de carácter xeográfico, social e económico que pretendían dar cadra das condicións dun territorio determinado para que servira de ferramenta de coñecemento sobre as súas realidades e potencialidades. A esta categoría pertencen os tres exemplos seguintes. O primeiro foi o Diccionario nomenclátor de las ciudades, villas, aldeas, caserías, cotos, ventas, castillos, prioratos de todo el Reyno de Galicia, que en 1810 publica o cóengo da catedral de Santiago José Villarroel Pérez de Baños. En todas estas obras a información é moi sucinta pero como forma parte de obras cunha forte proxección social, o seu valor non é desprezable. A cita que nos ofrece da catarata é máis pequena que o título da obra. No apartado sobre ríos galegos aparece o Ézaro: "en la ensenada de Corcubión, en donde se despeña por una hermosa cascada". A primeira obra importante a nivel peninsular foi o Diccionario Geográfico-Estadístico de España y Portugal, publicado entre 1826 e 1828 por Sebastian Miñano y Bedoya. Unha obra de dez tomos na que teñen entrada todas as parroquias e pobos da Iberia. No volume IV, entre outros contidos, trata as características xerais de Galicia e, outra vez na sección dedicada aos ríos, con relación á desembocadura do noso protagonista, lémbranos que "para tributar sus aguas al mar se despeña desde la parroquia de Arcos, en las vertientes septentrionales del Pindo, formando una cascada". Continuando con este tipo de obras chegamos a unha das máis influentes ata a publicación nas primeiras década do XX da Enciclopedia Espasa Cape. Falamos do popularmente coñecido como Diccionario Madoz, polo seu principal responsable o político liberal Pascual Madoz. Este Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar foi aparecendo en 16 volumes ente 1845 e 1850. Nel teñen cabida todas as "rexións", provincias, concellos e parroquias do estado. Na sección dedicada á parroquia de San Mamede de Carnota dános cadra de que "hay un río de poco fondo, que forma límite de esta parroquia con la de Sat. Eugenia de Ézaro que al desaguar al mar, forma una elevada y hermosa cascada que escita la curiosidad de los viajeros". Deixando a un lado os dicionarios, a primeira referencia á catarata do Ézaro que atopamos nunha publicación periódica ten lugar na Revista Galicia: periódico de ciencias, literatura y artes. Nun artigo aparecido o 15 de xuño de 1850 no que se describe a costa galega faise unha pequena alusión a "el río Ézaro que desciende por una cascada muy pintoresca y de grande altura á formar la ría de Corcubión". A ría que forma o Xallas é a do Pindo e non a de Corcubión como manifesta a cita. No ano 1852 os Duques de Montpensier, irmá e cuñado da raíña Isabel II, fan unha visita oficial por Galicia representando á soberana. Para lembrar tan excepcional acontecemento o xornalista e escritor Antonio Neira de Mosquera e o cóengo da catedral de Santiago e historiador Narciso Zepedano y Carnero, publican un libro: SS. AA. RR. Los Serenísimos Duques de Montpensier en Galicia. Obra na que, a maiores de dar conta dos pormenores da viaxe, ao remate da mesma hai un longo apéndice con información xeográfica, histórica, económica e cultural de Galicia. No apartado dedicado aos ríos volve haber un lugar para o Xallas: "Entre las rías de Noya y Corcubión desciende impetuoso el Ézaro, por una catarata magnífica de prodigiosa altura, cuya blanca espuma resalta más al lado del oscuro piélago: un monte que está a su izquierda y casi junto a las olas, se eleva más de 420 pies sobre el mar, el río parece haber roto la montaña para precipitarse, y es la cascada a juicio de hombres versados en la geografía, una de las más notables del mundo". En El País. Periódico Literario y Comercial de Pontevedra, publica Luis Rodríguez Seoane, amigo de Rosalía e de Murguía e cun importante futuro político por diante, unha serie de artigos sobre distintos aspectos históricos de Galicia. No exemplar do 22 de xullo de 1858 incide nas relacións entre a antiga Grecia e Galicia baseándose nalgúns textos clásicos e na toponimia. Entre os exemplos que pon está o do monte Pindo e o do río Ézaro: "Lleva todavía el nombre de Pindo una hermosa colina que hay en Galicia y que por su amenidad recuerda la elevada y umbrosa mansión de las nueve Piérides. Camina por su espesor un caudaloso río que estalla formando una catarata al precipitarse en el mar, como resuena admirable y majestuoso el soplo de la inspiración, el aliento de las musas, al confundirse en el océano sin límites de las generaciones. Este río se llama Ézaro, y otro de su nombre había en Grecia". Este é o primeiro artigo que atopamos dunha longa ringleira doutros autores que tratan do mesmo tema ou cítano lateralmente. A día de hoxe a moderna historiografía galega ten desbotado este tipo de teorías. Entre as actividades máis nomeadas do Rexurdimento galego estaban os Xogos Florais. Uns certames itinerantes onde, a maiores dos discursos laudatorios da cultura galega, había concursos de poesía. Os primeiros foron os celebrados na Coruña en 1861, publicándose ao ano seguinte os traballos presentados e tamén unha antoloxía de poesía galega baixo o título de El Album de la Caridad. Os beneficios desta edición estaban destinados á Asociación de Beneficencia da Coruña, de aí o título. Entre os poemas recollidos hai un de Francisco María de la Iglesia titula do "Á Galicia" no que, en momentos distintos, aparecen dúas referencias ao tema que nos ocupa. Como se pode apreciar a calidade é mellorable pero son as primeiras mostras versificadas que atopamos sobre a nosa fervenza: "Mais ja as Musas tempéran seu strumento:Érguese o reiseñor na ramacía,O Ézaro rugentoAcouga no seu leito d' alegria, E en rella pòn o mar seu movemento".(...)O Ézaro un saltoDá na cima da montaña E cai dend'o alto No mar que fervendo o apaña". O primeiro dicionario galego-castelán foi publicado na Coruña en 1863 cando xa morrera o seu autor Francisco Javier Rodríguez Gil. Interésanos esta obra inaugural polo significado que lle asigna á palabra cadoiro: "Salto de agua ó catarata. Viene de cado. Is. Así llaman al famoso salto de agua del río Ézaro al caer en el mar junto á Finisterre". Outros dicionarios publicados posteriormente recollen esta mesma definición cunha redacción practicamente calcada. En Mazaricos acostumamos denominalo por unha versión deformada desta palabra: cuaduiro, habendo incluso un dito con ela relacionado. Cando alguén pregunta onde pousa algunha cousa de resposta bastante obvia, contéstaselle: no cuaduiro do Ézaro!! Quizais sexa Francisco Añón o poeta máis prestixioso entre os precursores da tríade fundamental do noso Rexurdimento: Rosalía, Pondal e Curros. Pois ben, en El Correo Gallego do 17 de novembro de 1878 publica un poema titulado "A Galicia" no que o escritor canta dende o afastado Madrid as soidades que sente pola Terra. Entre as paisaxes ás que veloz tornaría se tivese alas, están o Pindo e o Ézaro: "Vería desa altura teu mar d' azul e prata,que desde a nobre Asturias á o libre Portugal,Pol'a rachada costa bruando se dilata,Vería o sacro Pindo e a grande catarata,Que o Ézaro gomita d' un alto penedal". O poema que inclúe estes versos volverá ver a luz en El Heraldo Gallego do 15 de decembro de 1878; nun libro que recolle parte da súa produción lírica: Poesías (A Coruña 1889); e en La Tierra Gallega do 29 de marzo de 1896. La Ilustración Gallega y Asturiana foi unha revista que trataba temas de contido esencialmente cultural editada en Madrid por Alejandro Chao Fernández e dirixida sucesivamente por Manuel Murguía e Alfredo Vicenti. Durante o tempo que durou (1878-1882) foi unha referencia absoluta polo prestixio dos seus colaboradores, pola súa primorosa calidade editorial e pola profusión dos gravados que a ilustraban, aínda que neste último aspecto non tivemos sorte coa fervenza do Ézaro ao non aparecer en ningún. No exemplar do 28 de decembro de 1881 formando parte dun artigo sobre os ríos galegos de José Montero y Aróstegui, hai unha referencia ao Xallas que, entre outras cousas di que o río "corre por entre los montes Pindo e Ézaro, en dirección al Océano, en donde desagua por una sorprendente catarata, en el extremo meridional de la ría de Corcubión". Como se pode observar non conta nada novo, mais quixemos incluíla pola importancia e difusión que tivo a revista. Os ingleses, quizais os inventores das viaxes onde se mesturaba o pracer coa aprendizaxe, puxeron de moda o turismo e con el a edición de guías que axudaran aos viaxeiros en territorios descoñecidos. Seguindo esta estela, a primeira obra dedicada exclusivamente a Galicia dentro deste xénero, foi a Guía de Galicia publicada por Cesáreo Rivera e Victor M. Vázquez (Imprenta de Fortanet, Madrid 1883). O espazo dedicado á fervenza é insignificante e, máis alá da altura dende a que se precipita o Xallas, errada por outro lado, non di nada novo. Con todo é importante a súa inclusión nun libro que sentaba as bases de moitas guías posteriores. Este é o fragmento: "el Ézaro, río de resonancias helénicas, cuyo nombre es igual al de otro que existe en Grecia: este río rodea un monte llamado "Pindo" y al desembocar en el mar desde una altura de 200 m. forma una de las cascada más notables del mundo". O arqueólogo e historiador Ramón Barros Sibelo foi o primeiro que relacionou cun terremoto a singular desembocadura do Xallas nun artigo aparecido na publicación madrileña Revista Popular de Conocimientos Útiles o 8 de febreiro de 1885. Hipótese que despois repetiron, como veremos, outros divulgadores. Da lectura dun suposto documento do Correxemento de Noia onde a vila de Corcubión lle reclamaba certos dereitos á de Cee, o autor desprende a existencia dun terremoto no ano 1217 que atrancou o curso orixinal do río, tendo este que buscar outro novo situado moi por riba do nivel do mar: "Allí en aquellas desiertas soledades, pudimos estudiar el primitivo álveo del río Ézaro, y el nuevo curso que sigue hoy, obligado por el acontecimiento, despeñándose verticalmente por uno de los acantilados de la cuesta, formando tres escalones, de tres, cinco y once metros de altura, marcando el último en las grandes avenidas ó en los deshielos majestuosa parábola, cuya aljofarada bruma, herida por los rayos del sol naciente, aparenta una cascada de rubíes, esmeraldas y topacios cercada por una doble cinta del pintado iris". Esta teoría está totalmente desacreditada pola ciencia moderna. Con todo non hai unanimidade sobre a singularidade deste fenómeno. Para algúns xeólogos o Pindo é unha formación rochosa relativamente recente, en termos xeolóxicos, polo que o río aínda non tivo tempo de escavar unha canle o suficientemente profunda para desaugar no mar dunha maneira máis convencional. Outros son da opinión de que a causa está na calidade da rocha, cunha altísima presenza de seixo que ofrecería unha forte resistencia á erosión, de aí o importante desnivel que ten que vencer o Ézaro. O 13 de xuño de 1885 La Voz de Galicia publica un artigo do escritor e xornalista Lisardo Barreiro, baixo o título "Una excursión al Pindo", onde o autor nos relata, precisamente iso, unha viaxe ao monte Pindo. A diferenza da maioría dos textos que fomos comentando ata o de agora e de moitos que están por vir, nos que os seus autores escriben de oídas ou por lecturas precedentes, neste caso estamos diante dunha experiencia vivida con expectación e asombro, deixándolle un longo pouso na memoria que ben se fai notar no resultado. Trátase dun artigo relativamente longo no que o escritor de Noia conta a súa saída pola mañá cedo en barco dende Lira, a súa chegada á pequena ría na que a catarata é a protagonista absoluta, a súa subida ao monte Pindo e a retirada cando "eran las últimas horas de la tarde". De todo o texto entresacamos os treitos que afectan máis directamente ao asunto que tratamos: "se contempla el espectáculo más maravilloso y soberbio que haya podido soñar imaginación calenturienta y creadora: la cascada aparece de pronto e inopinadamente, a los ojos del espectador, majestuosa, imponente, rugiendo como cien calderas de vapor a las cuales hubiesen abierto las válvulas en un momento dado, espumarajeando y retorciéndose por entre las perforadas rocas, para caer solemne y como rendida -semejando montones de perlas o de plumas de cisne- en un inmenso recipiente o pilón natural, labrado por la misma cascada en el granito; desde el fondo se levantan constantemente a los picachos más distantes, densas masas de vapores formados por la rápida caída del agua que se pulveriza al descender, y en cuyas gotas se descompone la luz presentando las irisaciones y colores del prisma: a la vista de este encantador panorama experiméntase la dulce, íntima y rápida emoción que hace sentir en el espíritu lo sublime.Ya cerca de la cascada y reposado el ánimo de las primeras impresiones, puede el alma entregarse al puro goce.La cascada la forma todo un río de caudalosas aguas -el Ézaro-, nombre que sirve para denominar a otro río que hay en Grecia. Despréndese de más de 200 metros, despeñándose con estrepitoso fragor por nueve tazas de granito, de extenso diámetro, que parecen tener iguales alturas, y terminan en otra taza, mayor que las demás, en la cual el agua hecha espuma, rebota al caer semejándose a un frío géiser de Islandia; el río sigue después su curso, maino y límpido, hasta su desagüe en el mar". Como podemos apreciar unha fermosa peza literaria onde á descrición máis exacta da paraxe aplícalle o autor unha linguaxe poética de fondo calado emocional. Este artigo aparecerá algo máis tarde, o 19 de xullo do mesmo ano, no xornal habaneiro El Eco de Galicia, que saibamos a primeira referencia á catarata nun medio americano, aínda que destinado á comunidade galega. Esta e outras crónicas de viaxe por Galicia serán reunidas polo autor nun libro: Esbozos y siluetas de un viaje por Galicia (A Coruña, 1890). A primeira fotografía da fervenza do Ézaro publicada no libro Galicia de Manuel Murguía no ano 1888 Manuel Murguía, ademais de representar coa súa Historia de Galicia en varios volumes un dos maiores alicerces para coñecer o noso pasado ata hai ban pouco, foi un dos principais difusores da realidade de Galicia, presente e pasada, en periódicos, revistas e libros de carácter divulgativo. A este último grupo pertence a súa obra Galicia (Barcelona 1888). Un libro no que se reúnen aspectos xeográficos, históricos, literarios, de cultura popular,... Un volume fermosamente editado no que tamén ten cabida a fervenza do Pindo: "La cascada del Ézaro es la más considerable de Galicia y también uno de los más bellos espectáculos que pueden apreciarse en nuestro país. Dícese que consta en antiguos documentos que en el año 1217 un gran terremoto cambió, en aquellos lugares, no sólo la faz del terreno sino también el álveo del río, el cual se desploma hoy verticalmente por uno de los acantilados de la costa, desde una altura de más de doscientos metros. Cae el agua formando tres escalones de tres, cinco y once metros de alto, marcando el último la majestuosa parábola que tanto admiran los que la contemplan cuando herida por los primeros rayos del sol ofrece á la vista todos los cambiantes del iris. La luz que ilumina la larga cinta de espuma que al pié de la cascada forma una como blanca barrera en que el torrente parece sumergirse, hace que parezcan teñidos con los más vivos colores aguas, espumas y sobre todo el velo de brumas transparentes que la envuelve. Detiénese allí el río y salta y rebota y hierve con bronco ruido, para seguir después su curso tranquila y sosegadamente hasta el mar cercano. La mejor época de visitarla es la de las grandes lluvias cuando el río va más crecido. La vista que publicamos se ha tomado en verano por no ser posible otra cosa. No faltan curiosos que la visitan, especialmente ingleses". Despois da lectura do texto parécenos evidente que Murguía nunca estivo no Ézaro e baseouse para a redacción da súa descrición nas que antes realizaran Sarmiento, Barros Sibelo e Lisardo Barreiro. Como contrapartida apórtanos a máis antiga fotografía que coñecemos da catarata. Xa o autor nos aclara que debeu tomarse no verán, de aí o escaso caudal que se pode observar esvarando entre os grandes rochedos. A reprodución que ofrecemos tomámola do libro e non conta coa calidade que tería a imaxe orixinal, da que a obra non nos dá cadra do autor. Con todo son moi expresivos os enormes pedregullos tallados e transportados pola forza das augas e as erguidas paredes do Pindo polas que se despena a fervenza. Todo elo logra certo aspecto romántico que nos lembra a obra do pintor inglés prerrafaelista William Dyce, especialmentea súa A Baía de Pegwell. En El Eco de Galicia da Habana publica o 10 de novembro de 1897 o noso paisano Francisco Suárez Salgado "Un encanto (Historia que parece cuento)". Con ese subtítulo o crego, xornalista e soado orador sagrado nacido en Beba (Mazaricos), quería darlle a veracidade dun feito real que a el lle transmitiran oralmente. A historia ten como escenario a Pedra Cabalgada do Brazal dende onde se ve a escarpada silueta do Pindo; e precisamente o noso autor fai referencia a esa visión no seu relato: "Allá a lo lejos destacándose majestuosa la mole granítica del Pindo, ocultando su cresta en la negrura del horizonte; y la suave brisa que traía sobre sus alas los sonrientes murmullos de la gran cascada del Ézaro, la más imponente de Galicia". Hai unha fotografía publicada na revista Galicia Moderna o 1 de febreiro de 1898 que foi atribuída erradamente nalgúns medios dixitais á fervenza do Ézaro, pertencendo, en realidade, á catarata da Rocha no río Verdugo; así se desprende da lectura do artigo que ilustra e dunha observación atenta da foto. Imaxe da fervenza da Rocha no río Verdugo atribuída erradamente á do Ézaro nalgúns medios dixitais Aínda que se sae dos nosos propósitos temos que dar cadra dun fatal accidente que tivo lugar nas augas da ría do Pindo o 5 de xaneiro de 1902 cando unha lancha iniciaba a súa marcha dende o embarcadoiro do Ézaro con destino á feira de Cee. Como nos informa El Regional do 10 de xaneiro "había en la embarcación veinte personas y al soltar amarras, llegaron cinco más, que temiendo perder el viaje se precipitaron súbitamente en la barca, haciéndola zozobrar". O suceso foi cuberto por toda a prensa galega e española, en moitos casos facendo fincapé entre o idílico da ría coa fervenza ao fondo e o dramatismo da desgraza. Nun primeiro momento falouse de 20 mortos, o xornal antes citado sitúa a cifra en 17. Esta breve digresión dános pé a citar outra das constantes referencias ao Ézaro na prensa dende finais do XIX ata ben avanzado o XX: a reclamación da construción dunha ponte que una as dúas beiras da ría. Solicitude reiterada continuamente, prometida outras tantas, proxectada varias veces, mais que non se inaugurará ata o tardío 1954. Dende 1903 aparecen a miúdo na prensa referencias ás instalacións de produción de enerxía eléctrica que se están construíndo no Ézaro e da súa aplicación á importante fábrica de carburo de calcio que polo mesmo tempo se ergue en Brens. Volveremos sobre o asunto. A casa Ferrer da Coruña edita a primeira tarxeta postal que coñecemos da fervenza do Ézaro no ano 1903. A imaxe que ofrecemos non ten toda a calidade desexable xa que non logramos acceso á postal orixinal e tivemos que conformarnos cunha reprodución. Como podemos apreciar o edificio da central eléctrica estaba en plena construción. A nota popular está a cargo dun grupo de pescadores vogando nunha lancha sobre as augas da ría, nas que o forte sol do verán produce grandes resplandores. Mais dende alá do fondo capta a nosa atención a branca diagonal da fervenza que se despena contra o rochedo que ten en fronte, erguendo unha pequena nube de vapores. Fechan o horizonte as liñas converxentes das pendentes das dúas vertentes do Pindo. O texto que complementa a imaxe está escrito en inglés, proba de que eran os viaxeiros angloamericanos os máis numerosos e os máis interesados neste tipo de produtos. Esta mesma fotografía aparecerá publicada no Almanaque Gallego de Bos Aires en 1905 ilustrando o artigo de Andrés Martínez Salazar "El Pindo Gallego", onde este polígrafo desmente a relación do nome do monte co mundo grego. A primeira tarxeta postal que reproduce a fervenza do Ézaro. Pedro Ferrer (A Coruña 1903) O impresionante complexo balneario de Mondariz foi nas dúas ou tres décadas anteriores e posteriores ao 1900 un sos principais centros de veraneo das clases altas españolas e tamén de numerosos estranxeiros. Esta institución rexida polos irmáns Peinador publicaba durante os veráns unha revista, La Temporada en Mondariz, na que tiñan acollida prestixiosas sinaturas da época. No número correspondente ao 26 de xuño de 1904 figura o artigo titulado "La poesía y la industria". O seu autor é Alfredo Vicenti, un xornalista compostelán de nacemento e formación que alcanzou en Madrid un inmenso recoñecemento á fronte de El Globo primeiro e de El Liberal despois. Amigo de Rosalía e de Murguía militou sempre no progresismo máis avanzado. Neste artigo onde, sen esquecer a poética beleza do entorno do Ézaro, sobre todo salienta o progreso e a prosperidade que poden traer para Galicia este tipo de plantas de produción eléctrica, neste caso, a maiores, asociada a unha innovadora industria química. Entresacamos os seguintes fragmentos por aludir directamente á fervenza: "Desde lo alto, del monte, se vuelca en el mar, formando la cascada del Pindo. Un salto de más de cien metros, partido por tres escalones". (...)"Pronto el Ézaro servirá de fuerza motriz á una industria poderosa. Pronto el nombre del Pindo, con todo su sabor helénico, más que para designar una romántica cascada servirá de apellido á una prosaica fábrica de carburo. Y al cabo de los siglos se producirá luz en el misterioso paraje donde creyeron nuestros antepasados que imperaban las tinieblas". Achamos en vindeiros números desta revista pequenas alusións á nosa catarata, concretamente o 10 de setembro de 1905, o 23 de xuño de 1912, o 20 de decembro de 1916 e o 7 de xullo de 1918. Feito que non deixa de ter a súa importancia se pensamos que en Mondariz se xuntaban sobranceiras personalidades da intelectualidade, da política e dos negocios; e dicir, a xente máis proclive a facer turismo. Rebaixe efectuado na montaña para construír a canle que conducía as augas dende a presa. Á dereita os primeiros chanzos da baixada da fervenza. Nuevo Mundo, xullo 1904. Como xa anunciamos máis arriba no ano 1903 constitúese a Sociedad Hidro-Eléctrica del Pindo co fin de producir electricidade na central do Ézaro para manter unha fábrica de carburo de calcio que se levantaría en Brens. Esta empresa estaba integrada por capital francosuízo que xa posuía outra planta deste tipo en Berga (Cataluña), e por investidores galegos ou aquí afincados: Francisco Saunier, un dos grandes magnates da electricidade en Galicia; e as casas de banca Marchesi e Sobrinos de José Pastor. Ricardo Rodríguez Pastor representante deste último banco foi o encargado das negociacións e pasaría a ocupar a presidencia da empresa. Co tempo a factoría de Berga, a de Brens e algunha outra máis pequena constituirían unha única empresa, coñecida co nome da primeira: Sociedad Española de Carburos Metálicos. No ano 1992 os activos que tiña en Galicia foron adquiridos polo empresario Villar Mir conformando o Grupo Ferroatlántica. Inspeccionando a canle que traslada a corrente fluvial á cámara da auga. Nuevo Mundo, xullo 1904 Durante o 1903 e a primeira metade de 1904 os traballos deberon ser moi intensos, pois o 10 de xullo deste último ano xa todo estaba preparado para a súa inauguración, e como veremos seguidamente había moito que facer. A mellor crónica deste acto atopámola nun artigo de La Voz de Galicia do 12 do citado mes, está asinada por un tal B. que, naturalmente non sabemos quen é. O cronista infórmanos da saída dende A Coruña de boa parte dos convidados a este acto sen precedentes na Costa da Morte. Fixérono no vapor Marqués de Amboage ao anoitecer do día anterior. Pola mañá estaban no Ézaro pero non desembarcaron, foron tomar o almorzo a Corcubión onde se xuntaron con outros convidados da zona ou chegados da Coruña en coche. Despois desta parada na vila de San Marcos dirixíronse ao Ézaro, e gora dámoslle a palabra ao reporteiro de La Voz de Galicia: "Renuncio a referir que la excursión por el río que se retuerce por entre las peladas montañas hasta morir al pié de la cascada del Pindo. En estilo pindárico, el más adecuado, habría que hablar de ello pintando la soberana belleza del paisaje, si no holgase en este caso toda disertación poética. No hay que olvidar que es un acontecimiento puramente mercantil é industrial el que estamos solemnizando.(...)De lo alto del monte baja un inmenso tubo pintado de blanco, que descansando sobre la roca viva conduce a la fábrica con pujanza tremenda el agua que de la cascada se obtiene. La obra es atrevida y á simple vista se aprecia el esfuerzo que significa. Para verlo todo, para apreciarlo despacio, lanzámonos á la desfilada monte arriba gateando por retorcidos senderos improvisados, salvando precipicios cuyo fondo apenas se atreve a descubrir la mirada, cruzando puentes adosados al descomunal peñasco... Al eco de alegres risas femeninas únese el estruendoso de la cascada que destacándose sobre el fondo negruzco de los riscos, blanquea al fondo. Admiramos los dos túneles abiertos á fuerza de paciencia, dinero y dinamita... y casi envidiamos la aventura de quienes tripulando ligeras chalanas se lanzan a cruzarlos, sin arredrarles la corriente impetuosa del agua ni la negrura de la estrecha boca. ¡Que hermosura! Bien se explica que la imaginación galaica hiciese al Pindo nido de tradiciones y leyendas.(...)"El conjunto de la obra de este que está llamado á ser centro principalísimo de la industria gallega, es el siguiente: Una presa natural formada por un enorme banco de granito que no hubo más que regularizar.Un trozo de canal de 100 metros de largo por tres de ancho, al cual sigue un túnel de 190 metros de largo por tres de ancho y 2,25 de alto. Otro trozo de canal de 250 metros de largo y un segundo túnel de 140 de largo, á cuyo final se halla situada la cámara de agua. Esta cámara tiene una capacidad de 200 metros cúbicos. La tubería de bajada es de 280 metros de largo con un diámetro de 1,30.La altura del agua sobre el eje de las turbinas es de 114 metros. ¡Casi nada!En la fábrica no se han montado aún más que dos grupos completos y se halla preparado el emplazamiento del tercero. Conduce la energía desde la fábrica hidro-eléctrica del Pindo á la fábrica electroquímica de Brens una línea de alta tensión".(...) A cámara da auga dende onde se lanzaba á central por unha tubaxe. Nuevo Mundo, xullo 1904 Despois da visita ás instalacións tomaron baixo un amplo toldo un "espléndido lunch" para repor forzas. De alí foron a Brens onde tamén percorreron a nova fábrica. Oficializouse a inauguración coas bendicións e os discursos de rigor e o fotógrafo coruñés José Avrillón tomou fotos dos fastos. Xantaron nun dos almacéns un menú para máis de cen persoas servido polo Hotel de Francia da Coruña, houbo máis discursos, máis brindes, máis fotos, e ao remate retornaron á cidade herculina no mesmo barco. A central hidroeléctrica con unha morea de curiosos na volta o día da inauguración. Nuevo Mundo, xullo 1904 A revista ilustrada Nuevo Mundo no seu número do 21 de xullo dese ano publica cinco fotografías deste acto inaugural: unha vista do rebaixe que houbo que facer na montaña para poder construír a canle que conduce as augas. Nesta imaxe pódense ver os primeiros chanzos da desbocada baixada do Xallas. Na seguinte foto un grupo de curiosos percorre un treito da canle. A terceira mostra a cámara na que se deposita a auga antes de envíala á central pola tubaxe instalada a tal efecto. Os arredores da central de transformación coa xente congregada na volta plásmase na cuarta imaxe. Na quinta reflíctese un aspecto da fábrica de Brens que aquí non incluímos. Como xa temos dito noutros casos estas instantáneas non teñen a calidade que quixéramos, aínda así o seu valor testemuñal é evidente. Descoñecemos o autor. Poden ser de Avrillón que estaba presente; ou de Manuel Romero, un fotógrafo fisterrán con estudio aberto en Corcubión e que de seguro non faltou a este acto; ou de? No ano 1905 sae unha importante serie de tarxetas postais da casa Lacoste de Madrid que retratan a beiramar dende Corcubión ata O Ézaro. Esta última é a que nos interesa. Baixo o poderoso influxo da recente implantación das instalacións de produción eléctrica, son precisamente estas instalacións as protagonistas dunha fotografía de formato vertical que deixa a fervenza fóra de plano. Podemos ver a pronunciada e rochosa pendente pola que baixa a tubaxe dende a cámara da auga ata a central eléctrica. Detrás deste último edificio e nun plano algo superior hai outra construción que, supomos, incluiría os servizos de vivenda e administración dos directos responsables da planta hidroeléctrica. Sobre as augas da ría reflíctese a brancura das instalacións fabrís, e dende a cámara de almacenamento parece esvarar un bo chorro de auga sobrante. Hai que ampliar o depósito ou a fábrica, todo se andará. Cono nos informa a propia postal, o autor da imaxe é Manuel Romero, ao que xa aludimos. A central hidroeléctrica nunha postal de 1905. Lacoste (Madrid). Fotografía de Manuel Romero Continuamos coas tarxetas postais, a mesma casa madrileña completa en 1907 a serie anterior con novas instantáneas. Neste caso estamos ante unha vista apaisada na que, agora si, non falta a fervenza. A calidade da edición é bastante mala, carece da nitidez e do contraste que posuía a anteriormente comentada. Na central hai un cambio importante, se antes era unha estrutura con catro ventás laterais, dous anos despois ten seis. Aumentou ao longo e supomos que tamén o número de turbinas do seu interior, mais o chorro de auga segue esvarando montaña abaixo. O autor da imaxe é J. Sánchez, un fotógrafo afeccionado pola información que nos dá Pedro Ferrer en relación a outros traballos seus. O conxunto do Ézaro coa central e a fervenza nunha postal de 1907. Lacoste (Madrid). Fotografía de J. Sánchez Por un artigo de Xosé Manuel Lema (Adiante Galicia: 14/12/2016) sabemos que no ano 1913 visitou a fervenza o célebre escritor e xornalista galego Wenceslao Fernández Flórez. A posteriori escribiu unha crónica desta viaxe para El Noroeste. Foinos imposible atopala e só podemos incluír, sobre a catarata en cuestión, o que sacamos do medio antes citado. O autor de El bosque animado, ademais de dar cadra da importancia industrial do entorno, compara a catarata con "una melena blanca de agua, cayendo desde lo alto en un negro rincón de la montaña". En La Voz de Galicia do 10 de agosto de 1913 un tal B. Calderón asina o artigo "Como se debe fomentar el turismo". O autor incide na importancia deste sector para o desenvolvemento de Galicia e sinala as dúas principais eivas que se deben corrixir: "los medios de comunicación y las fondas, ó mejor los albergues rurales que son los llamados á desempeñar un gran papel en el turismo gallego". Tamén cre importante a promoción no estranxeiro dos valores que posúe Galicia, pero tamén entre os naturais. Neste sentido considera que deben organizarse excursións que arranxen este problema. Así se expresa pondo como exemplo a nosa fervenza: "Para que el fomento del turismo resultara verdaderamente práctico, sería preciso que comenzara en Galicia por los mismos gallegos, que desconocen por completo el país fuera de los lugares servidos por una línea férrea ó una carretera de gran circulación. Mal podemos enseñar á los demás lo que no conocemos nosotros mismos. La mayor parte de las bellezas de la costa gallega, la cascada del Ézaro, por ejemplo, han sido apreciadas y señaladas por los extranjeros antes que por los españoles y los mismos gallegos; la geología, la flora, fauna, etc. en general, los extranjeros las han estudiado en Galicia antes que nosotros". Os textos que ata aquí fomos citando son unha proba de que non é todo como di o autor do artigo. Con relación a que os valores da fervenza foron sinalados, xa non digo antes, polos estranxeiros, temos serias dúbidas. Os ingleses foron os máis activos viaxeiros e os primeiros que deixaron por escrito as súas vivencias coa idea de publicalas. As primeiras guías "turísticas" que reflectiron a súa visión de España foron dese país: The Bible in Spain (1843) de George Borrow que, pese ao título, era un libro de viaxes; non fai ningunha referencia á nosa fervenza. Quizais a guía máis prestixiosa cunha grande difusión e múltiples edicións foi A Hannd Book Travellers in Spain (1845) de Richard Ford, na que tampouco deixou ningunha pegada a catarata do Ézaro. Xa máis aquí no tempo, en 1909 publica Annett M. B. Meakin a súa obra Galicia: The Switzerland of Spain (Galicia: A Suíza de España). A primeira guía realizada por un estranxeiro, neste caso estranxeira, exclusivamente sobre Galicia, e na que non atopamos entre as súas numerosas páxinas nada sobre a fervenza. Outro tanto ocorre con Spain Revisited: A Summer in Galicia (Londres 1911) de Catherine Hartley. A primeira obra deste tipo na que atopamos unha referencia ao Ézaro é Spanish Galicia (Londres 1922) de Aubreu Bell, quen, a maiores de quedar sorprendido pola potente silueta do Pindo, di o seguinte do salto do Ézaro: "A grandiosa fervenza que, coa anchura do ría, cae dende unha grande altura e incluso no verán leva un xeneroso volume de auga". Está claro que Bell tivo sorte o día que se achegou ata ao Ézaro ou fala de oídas. Non vou negar que nalgunha publicación máis puntual e restrinxida teña saído algo sobre O Ézaro antes de 1913, pero coidamos que non nas máis empregadas polos viaxeiros. Se como refiren algúns dos fragmentos que fomos citando, os viaxeiros ingleses mostraban interese pola desembocadura do Ézaro, o seu coñecemento debía estar motivado pola lectura de obras en castelán. No ano 1911 inicia a súa andadura unha das publicacións periódicas máis populares ata a súa desaparición en 1938. Referímonos á revista gráfica Vida Gallega dirixida e editada en Vigo por Jaime Solá. Neste medio aparecen ao longo dos anos varias referencias á fervenza do Ézaro, dende pequenos fragmentos que forman parte de artigos maiores ata o resumo dun amplo traballo sobre o río Xallas que comentaremos no seu momento. Tamén publicaron tres fotografías das que só incluiremos unha no seu debido lugar, as outras dúas non aportan nada novo e ademais teñen unha mala calidade de impresión. Deixámosvos a primeira cita que atopamos correspondente ao exemplar do 1 de xullo de 1916. Nun poema de Avelino Rodríguez Elías titulado "Salve Galicia", nunha das estrofas compara o sorriso da nosa Tera coa fervenza do Ézaro: "Y-enriba dos cabelos d'ouro puro,que' é no coor igoal á gran madurode millo, amóstrasnos tan esprendentelinda coroa, que parez talmenteque d'unha meiga foi feita ó conxuro,cos teus crepusculares arreboles e cos matices mil das túas froles,Se ris, a túa risa cristalinaé a cascada do Ézaro divina,onde desfaise o sol en moitos soles". O ampliado conxunto hidroeléctrico do Ézaro coa fervenza sen auga nunha postal de 1920. Hauser y Menet (Madrid). Fotografía de Manuel Romero Arredor de 1920 sae outra serie de postais, agora da casa Hauser y Menet, tamén de Madrid. Unha das grandes editoras de postais e doutros materiais relacionados coa fotografía: fotografías propiamente ditas, linotipias, láminas,... As novas tarxetas volven plasmar os lugares de máis interese do litoral, neste caso dende o Ézaro ata Fisterra. A imaxe do Ézaro de formato apaisado debeu ser tomada en pleno verán. Podemos ver o lugar que ocupa a fervenza, o que non vemos é a auga que debía baixar montaña abaixo. Un dos motivos, a maiores da seca estival, é o apreciable aumento da central eléctrica: empezara con catro ventás laterais, despois pasou a seis e agora xa ten dez; conformando unha estrutura de forte horizontalidade. Se se amplía o número de turbinas fai falla máis auga, neste sentido dende a cámara de almacenamento baixa unha dobre tubaxe que, sobre todo, no estío absorbería todo o caudal fluvial. Diante da fachada frontal da central hai unha pequena edificación de planta baixa da que descoñecemos a súa funcionalidade. Apegada na parte posterior da planta transformadora vemos unha especie de torre que, coidamos, serviría de acumulador de electricidade. A foto está tomada dende a beira carnotana, na que non faltan tres observadores sentados nas rochas: dous parecen da veciñanza, pero o outro traxado ten todas as trazas de estar de visita. Sobre as augas da ría volve reflectirse a brancura das construcións e incluso da tubaxe. Unha dorna con dous mariñeiros desprázase docemente pola serena superficie mariña. Por un artigo da revista El Financiero de outubro de 1924 ilustrado con dúas fotografías desta serie, sabemos que foron realizadas polo xa mencionado Manuel Romero. Nun especial de dúas páxinas publicado en El Ideal Gallego o 24 de abril de 1921 motivado polas inminentes festas de San Marcos de Corcubión, o escritor e investigador da nosa literatura e da nosa historia Eugenio Carré Aldao escribe un artigo baixo o título de "Corcubión y su municipio", no que expón diferentes aspectos históricos, artísticos, económicos e culturais do citado concello e tamén da comarca. Neste sentido non pode pasar por alto a relevancia da fervenza do Ézaro, sen deixar de ser crítico coa situación derivada da instalación da planta de produción eléctrica: "Ha perdido parte de su grandiosa majestad, con las diversas tomas de agua del río, pero aun así y todo se nos presenta soberbia en su descenso.Sujeta y domada en parte, corren sus energías por cilindros de hierro de 1,5 metros de diámetro para abastecer de agua la central "Hidroeléctrica del Pindo", que suministra dicha fuerza para la fábrica de carburo en Brens, a la que llega la energía por una extensa línea aérea. La casa de máquinas se halla en una ensenada encantadora de la ría.Desde la cascada que desciende por un enorme pedregal, tiene el río un recorrido de 300 metros hasta morir en la playa del Ézaro". Por estes mesmos anos D. Eugenio estaba traballando nos dous volumes, I e II correspondentes á provincia da Coruña, da magna obra Geografía General del Reino de Galicia (Alberto Martí. Barcelona 1928). Composta por seis tomos coidadosamente editados, con importante aparato gráfico e planos e mapas das cidades, vilas, provincias, partidos xudiciais,... Cada concello de Galicia conta cun apartado dentro da obra, e no que corresponde ao de Dumbría Carré Aldao repite practicamente coas mesmas palabras o dito no citado artigo sobre a catarata, mais agora cunha transcendencia moito maior ao formar parte dunha obra fundamental da nosa bibliografía. Máis arriba comentamos un artigo sobre a importancia que o turismo podía ter para Galicia no que se incidía na necesidade de fomentar excursións que deran a coñecer os valores da nosa Terra. La Voz de Galicia do 20 de setembro de 1924 daba conta das actividades programadas en Corcubión en relación ás festas da Virxe da Mercede, nas que se incluía para o día 27 unha " excursión a la Factoría Ballenera de Caneliñas, con exhibiciones de cetáceo y explicación de su aprovechamiento. Desde Caneliñas continuarán la gira los excursionistas por el río Jallas, hasta la hermosa cascada del Pindo, merendando allí y regresando a Corcubión a las ocho de la tarde". Este mesmo xornal seguirá informando da organización de visitas parecidas nas que sempre está presente a fervenza do Ézaro: cando se inaugura oficialmente a planta baleeira (15/11/1924); cando teña lugar unha asemblea en Corcubión para relanzar a malfadada construción da liña férrea Coruña-Carballo-Corcubión (11/02/1925); ou cando visiten a zona un grupo de alumnas da escola de maxisterio da Coruña (03/05/1925). O 23 de setembro de 1924 El Ideal Gallego volve sacar un especial de dúas páxinas sobre Corcubión relacionado coas festas da Mercede. Entre os artigos publicados figura "Los misteros del Pindo" de Jerónimo Figueroa Domenech, Este escritor e xornalista galego nacido no Pindo déixanos neste texto unha sentida evocación do mítico monte arredor do que se criou, incluíndo tamén unha fermosa e poética descrición da fervenza do Ézaro, vexamos esta última: "la imponente mole granítica del Pindo, retumba incesantemente repitiendo con los ecos el estruendo de la cascada del Ézaro.Nada hay comparable en España a este magnífico salto de agua, ya que se le mire desde el punto de vista estético de la Naturaleza, ya que se le contemple con los ávidos ojos del ingeniero industrial que persigue el hallazgo de fuerzas mecánicas. Es una masa líquida inmensa que se precipita por un tajo del Pindo a más de 50 metros de altura, y forma en el suelo un profundo y ancho río que apenas recorre 300 metros para llegar al mar. Al choque formidable de sus aguas se eleva una nube de vapor que en las rocas más altas se condensa y resbala de nuevo hasta el fondo en multitud de argentados hilos.Contemplando este salto desde donde no llega su continuo rumor de trueno, parece una cascada de grandes y blancos copos de algodón que ruedan incesantemente al precipicio; y cuando en la tarde los rayos del Sol la hieren oblicuamente, aparecen sobre las espumas los brillantes colores del Iris, como si la Naturaleza quisiera ofrecer en aquel fenómeno una bellísima alegoría de la Paz y el Trabajo". Panorámica do Ézaro nunha fotografía do Arquivo do Reino de Galicia. Ca. 1924 O Arquivo do Reino de Galicia conta con dúas fotografías da fervenza do Ézaro: unha apaisada na que figura o conxunto das instalacións de produción eléctrica e a fervenza, e outra de formato vertical onde dúas mulleres ocupan os primeiros planos e ao fondo, algo desenfocada, vese a catarata. Aparecen catalogadas sen autor coñecido e situadas cronoloxicamente entre 1910 e 1920. Nós coidamos que deben ser posteriores. De arredor de 1920 é a última postal que comentamos, e notamos unha pequena diferenza entre aquela e a foto apaisada do citado arquivo. Se nos fixamos vemos que a que, con anterioridade, consideramos a vivenda da persoa ou persoas responsables da central, ten unha pequena ampliación na parte central da súa fachada principal, aumento que non apreciamos na imaxe de 1920. As fotos deberon ser tomadas nunha época do ano na que o río levaba un bo caudal, pese á ampliación da central a fervenza conserva un enérxico torrente de auga. A relaxante planicie da ría na que a luz lanza brillantes reflexos contrasta co poderoso e abrupto dominio das montañas que fechan o horizonte. A outra foto onde a presenza das paisanas pode estar relacionada coa construción que aparece detrás delas: un muíño, polas referencias que temos. O artigo de Lisardo Barreiro lémbranos que "en un pequeño molino, única vivienda que existe allí cerca y que no deja de prestar encantos a la escena, refiriéronme una fantástica tradición de trágicos lances que tiene por teatro de origen la concavidad en donde el Ézaro se arroja y que los campesinos de fantasía impresionable creen de buena fe que es un insondable pozo en el cual se guardan fabulosos tesoros". E, precisamente, parte dese pozo é o que observamos no último plano. O pozo e a luminosa diagonal que dende o principio dos tempos, humanos polo menos, están defendendo o suposto tesouro de posibles depredadores. Dúas paisanas cos muíños e a fervenza do Ézaro en profundidade de campo. Arquivo do Reino de Galicia. Ca. 1924 O escritor Victoriano García Martí publica en La Voz de Galicia o 5 de novembro de 1925 un artigo sobre "Las rías medias. Corcubión. Su interés económico y moral". Deste texto que vai máis alá do Corcubión propiamente dito, aludindo a distintos aspectos de interese dentro do seu ámbito de acción. Coma sempre entresacamos a referencia que fai á catarata do Pindo: "Desde aquí (refírese a Corcubión) se pueden hacer preciosas excursiones a Finisterre y su semáforo, distante unos doce kilómetros. Y en sentido opuesto, atravesando el pueblo de Cee, a la célebre cascada del Pindo, una de las mayores maravillas de la naturaleza. En el fondo de una enorme masa granítica, con un grandioso gesto de majestad, cae desde una altura de ciento cincuenta metros el canal espumoso del salto, de cuya fuerza motriz se esperan aún múltiples aplicaciones". No ano 1926 publícase a primeira edición da Guía de Galicia de Ramón Otero Pedrayo (Espasa-Calpe. Madrid). Aínda que a mención que fai da nosa fervenza é moi pequena, co tempo irá medrando o contido que lle dedica á mesma ata considerala a mellor de Galicia; xa que esta obra coñecerá múltiples edicións, estando aínda á venda na actualidade. Esta é a sucinta referencia á que aludíamos: "Una carretera de 10 kilómetros desde Cee, conduce a uno de los más bellos paisajes de Galicia: la cascada que el río Xallas o Ézaro forma al cruzar un estribo del monte Pindo para entrar en el mar. Las empresas industriales que utilizan en gran escala la energía del salto (el mayor actualmente en Galicia) han borrado mucha de la belleza de la fervenza del Ézaro". A última foto que incluímos , a diferenza de outras moitas, temos o autor e a data aproximada en que foi realizada. Publicouse o 30 de decembro de 1926 na revista Vida Gallega. O seu autor era Federico Ávila y Cuadra, un mestre natural de Viana do Bolo destinado en Fisterra da que chegou a ser alcalde en 1925, e ademais fotógrafo afeccionado. Nesta imaxe podemos ver perfectamente o muíño e a vivenda apegada ao meso. Supomos que sería un muíño de maquía onde o muiñeiro ou muiñeira se ocupaba de facer a moenda a cambio dunha pequena parte do gran moído. Senón antes, estas construcións deberon desaparecer cando a mediados dos anos corenta do século pasado se edificou a central de Castrelo nese lugar. Outro aspecto interesante da instantánea, ademais dese xogo de volumes conformado polos rochedos tronzados do primeiro plano, é a presenza humana. Unha presenza humana na que non falta un home traxado e que sería froito dalgunha excursión, quizais organizada dende Fisterra, de aí que fora inmortalizado o momento polo mestre e alcalde da localidade. O caudal da fervenza non pasaba polo mellor momento, se a foto viñera acompañada dalgún tipo de comentario, se cadra, sabiamos algo máis. A fervenza do Ézaro nunha fotografía de Federico Ávila Cuadra publicada en Vida Gallega en 1926 O xeógrafo e matemático Heliodoro Gallego Armesto escribe nas páxinas do Boletín da Real Academia Galega (Tomo 18, nº 23, 1929) un longo artigo baixo o título "El Jallas o Ézaro". No mesmo ano coñecerá unha publicación como folleto independente do que tamén figurará un amplo resumo na revista Vida Gallega. O autor describe o percorrido do río, os seus principais afluentes, a peculiaridade da súa desembocadura e outros aspectos históricos de interese. Sobre o caso que nos ocupa di o seguinte: "El río busca salida por la estrecha garganta que forma este monte y el Ézaro, precipitándose por un tajo casi vertical de más de 200 metros de altura, soltando y rebotando sus aguas con bronco rugido en la cascada más sorprendente y hermosa de Galicia, conocida con el histórico nombre de Salto del Pindo. Antiguos documentos inducen a afirmar que, por el año 1217, un gran terremoto allanó la faz de estos terrenos y cambió el álveo del río. Desde hace varios años, una empresa industrial aprovecha este salto para suministrar energía eléctrica a la fábrica de carburo de calcio de Brens, restando con la captación de las aguas mucha belleza a la fervenza del Pindo. Pero en las avenidas, y cuando la presa deja desbordar la sobrante, aun puede admirarse su grandeza". O fundador, presidente e sostén económico Hispanic Society of America, Archer Milton Huntington promoveu, entre outras moitas accións, a viaxe de Ruth Matilda Andersen a Galicia para documentar fotograficamente a realidade e as costumes da nosa Terra. Experiencia que tamén recolleu nun libro editado en 1939, onde a fervenza ocupa un pequeno espazo, aínda que fóra do noso marco cronolóxico. Volvamos con Archer, o multimillonario norteamericano publicou o libro Rimas (Nova Iorque 1936). Obra que contén os seguintes versos dedicados ao Ézaro e nos que, coidamos, identifica a brancura da auga ao precipitarse coa inmaculada brillantez da Virxe. Con eles pómoslle o cadullo a esta viaxe: "Fóra das présas, fóra da escuridade,cantando unha canción aprendida da tormenta,musitando trementes historiasdo día no que as montañas se esgazaron,para abrir o camiñodos relucentes pés brancosda Virxe vestida de brancoÉzaro, Ézaro, voz da noite" AS AGONÍAS DA FERVENZA DO ÉZARO Rematado este percorrido polos textos e fotografías que atopamos no período acoutado no que se puxeron os alicerces da posición que hoxe goza a fervenza do Ézaro a nivel internacional. Unha das queixas que figura en varias das citas expurgadas, e noutras que deixamos fóra, referíase a incidencia negativa que tivo a primitiva central do Pindo na mingua do caudal de auga que se desbocaba pola catarata, coa conseguinte perda de espectacularidade de todo o conxunto. Se estas tímidas protestas estaban xustificadas no primeiro terzo do século XX, que dirían os autores desas críticas se coñeceran o futuro que lle esperaba á fervenza? O encoro de Santa Uxía, a escarpada silueta do Pindo e, alá no fondo, o promontorio de Fisterra vistos dende a parroquia de Arcos (Mazaricos) Coa posta en funcionamento do encoro de Santa Uxía en 1990, o tramo de río situado entre a presa e a desembocadura quedou sen unha fecha de auga ao ser desviado o caudal por un túnel e unha tubaxe ata unha nova central situada ao pé da pequena ría. O resultado non podía ser máis desolador: os seixos que formaban parte do leito do río torrados polo aire e o sol parecían os restos fosilizados dunha radiación nuclear. Os chanzos rochosos polos que se envorcaba a corrente fluvial aínda que pasaban máis desapercibidos entre tanta pedra espida, para todas as persoas que coñeceron o rebordar da auga plena de vibracións sonoras e cinéticas e cun brillo de poderosos escintileos difíciles de esquecer, aquel desértico esvaradoiro unicamente podía espertar a maior das repulsas. Só as chuvias e algún regato cativo situado máis acó da presa poñían de vez en cando unha nota de sentido entre tanta degradación. As protestas de colectivos e asociacións ecoloxistas foron continuas, mais os intereses económicos de Carburos Metálicos e, a partir de 1992, de Ferroatlántica estaban por riba de calquera outra consideración. Intereses que contravindo a legalidade vixente foron sostidos pola máxima institución gobernativa galega. No 2000 Ferroatlántica e a Xunta de Galicia, presididas ambas polos seus máximos mandatarios, séntense xenerosas e avéñense a abrirlle unha comportiña pequena ao encoro durante dúas horas dos sábados e dos domingos do verán, como premio de consolación para nostálxicos e ecoloxistas que carecían do espírito práctico e utilitario que levanta un País da nada ata convertelo nunha fonte inesgotable de riqueza case nunca distribuída con equidade. Así quedaron as cousas durante moitos anos pese a un recurso por parte do Concello de Dumbría no que se alegaba o incumprimento do caudal mínimo ecolóxico marcado na lexislación. No outono de 2010 a asociación ecoloxista AEMS- Ríos con Vida interpuxo unha denuncia contra Ferroatlántica diante da Fiscalía Ambiental de Galicia por desecar a fervenza do Xallas e na que tamén denunciaba aos responsables da Xunta que, no seu momento, permitiron esta situación. A partir deste momento as cousas aceleráronse, na primavera de 2011 a Secretaría Técnica da Consellería de Medio Ambiente anulaba unha resolución de 2001 onde o mesmo ente da Xunta non lle esixía á propietaria do complexo de produción eléctrica do Ézaro o caudal mínimo ecolóxico de 2,23 metros cúbicos por segundo, a cambio de abrir determinados días ao ano, como xa vimos. No mes de abril do referido 2011 Ferroatlántica empeza a cumprir, á forza, a normativa do caudal mínimo, ademais de recorrer aos tribunais esta decisión. Tribunais que se pronunciaron na súa contra. Panorámica do Ézaro nunha imaxe de Foto Fuentes para Postais Fama de Coruxo Durante a primeira década no século XXI xa se foran dando algúns pasos para a mellora do entorno da fervenza. As aperturas intermitentes da catarata supuxeron a construción dunha pasarela para a súa axeitada observación. A empresa propietaria das instalacións cedeulle a vella central do Pindo, a que entrou en funcionamento en 1904, á Asociación Neria que, despois da súa restauración e musealización, abriu ao público no 2008 como Centro de Interpretación da Electricidade do Ézaro. Mágoa que dende 2017 este interesante complemento pedagóxico se atope fechado debido á inviabilidade económica da asociación que o xestionaba. Nos últimos tempos o Concello de Dumbría instalou unha fantástica iluminación para que nin as tebras da noite impidan o goce do espectáculo acuático. Proximamente entrará en funcionamento unha nova pasarela máis segura e accesible para todo tipo de visitantes. Durante boa parte deste texto fomos dando cadra de algúns chanzos que informaron ao mundo da existencia desta paraxe única. Mais o alcance deste labor non se pode comparar coa iniciativa que tivo o Concello de Dumbría no ano 2012 ao propor O Ézaro como remate dunha etapa da Vuelta Ciclista a España e sostela economicamente na parte que lle correspondía. Feito que dende aquela xa se repetiu varios anos, e que situou os evidentes valores da fervenza do Pindo nun plano internacional sen precedentes. Todas estas accións converteron a fervenza nun destino turístico de primeira orde. Tampouco debemos esquecer que forma parte do monte Pindo, outro importantísimo capital simbólico e paisaxístico de Galicia. Hoxe coma nos tempos de Isla de la Torre, do pai Sarmiento ou de Lisardo Barreiro o rosado e alborotado granito do monte Pindo é penetrado polo Ézaro. As poderosas acometidas do seu compacto torrente logran abrirse camiño entre apertadas cavidades ata alcanzar espazos máis liberados, asolagando todos os currunchos cunha sublime explosión de pracer e satisfacción. Suso Jurjo. Historiador e Técnico de Cultura no Concello de Mazaricos. OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO O Pazo de Altamira de Corcubión nun plano de 1776 O silencio das campás e o continuo ouveo dos teléfonos. O Cruceiro dos Vaos e outras historias. Quizais as primeiras fotografías do Faro de Fisterra. Os Cruceiros: de obxectos de importación a símbolos da galeguidade. O Cabo Vilán nun gravado de 1896 Outra vez a voltas Aghinaldeiros de Busto. Historia dunha fotografía singular no corazón da Picota. Os Entruideiros de Arcos volven alegrarnos os Carnavais. O río Beba. As nenas da escola de Atán de excursión en Santa Baia de Chacín Os aghinaldeiros de Busto a principio dos anos sesenta O Santuario de Virxindón de Quintáns. 3 de maio: auga bendita para as nosas leiras. O Hórreo de Cuns de Cuíña, quizais o exemplar de construción máis perfecto de Mazaricos. A situación dos hórreos nos rueiros aldeáns de Mazaricos O Cruceiro do Sicho dos Outeiros. O Cruceiro do Ciroláns de Suevos. O Colexio da Picota: un exemplo da implatación no rural das agrupacións escolares nos anos 70. Tania Fuegho, o lume de Mazaricos. Pero onde está Mazaricos?. |
NOS_47261 | Santa María de Castrelos (Vigo) é unha igrexa erguida en 1216 que posúe tres tímpanos, todos presididos pola representación da cruz e con faces interiores que repiten a mesma iconografía. O templo foi propiedade da Orde de San Xoán de Malta e dependeu da Encomenda de Beade. É un bo exemplo de como no medio rural, desde a segunda metade do século XII, xurdiron tímpanos de formas de elaboración esquemática onde o icónico se destaca sobre o contido narrativo. As cruces seguen os modelos de prestixio das xoias de metais preciosos. | "E Deus, o bo Creador de todo, non quixo que o ferreiro desfixese unha das súas mellores obras, e cando o ferreiro, cego de ciúmes, ía entrar na eirexa, tapouse a porta supetamente cunha parede de pedra.O miragre foi sonado naquel tempo e aínda hoxe a porta sul da eirexa de Castrelos aparece tapada". Lenda "recollida de boca dun vello na fregresía de Castrelos" por Castelao (Nós, n.º 73, 15 de xaneiro de 1930). A igrexa de Santa María de Castrelos (Vigo), situada a trescentos metros do Pazo Quiñones de León, é un edificio de nave única e ábsida semicircular, orientado de oeste para leste. No interior podemos ver unha inscrición en latín que data a construción na era de 1254, o que corresponde ao ano 1216 do noso cómputo. O mesmo texto informa de que o templo foi feito por Paio Airas (Pelagius Arie), comendador (comendatore) de Tebra, e consagrado na altura en que Xoán Alvo (Iohannes Alvus) era comendador de Gueifães. Estamos, polo tanto, confrontados a un exemplo de románico rural serodio, con arcos lixeiramente apuntados, o que responde na súa construción ao tempo da inscrición, os primeiros anos do século XIII, un período economicamente favorábel nesta zona de Galiza. A nave ten 13,30 metros de longo por 6,70 de largo, de acordo co deseñado e publicado por Isidro Bango Torviso (Arquitectura románica en Pontevedra, Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 1979), e posúe unha cabeceira con arco triunfal, adornada con formas estreladas e capiteis de motivos vexetais. No conxunto dos tímpanos de Castrelos achamos unha combinación de cruces, formas estreladas e árbores que con variantes aparecen en diferentes igrexas da diocese de Tui No exterior ten tres portais ricamente decorados con cadanseu tímpano. Alén diso, a fachada principal presenta unha xanela de arco semicircular e o lado sur outras dúas de arcos apuntados, decoradas todas no interior e no exterior con formas estreladas e xadrezado. A ábsida ten tres óculos -tres pequenos rosetóns-, un deles cego para ao exterior, todos coas aberturas en forma de cruz; esta presenza de rosetóns na ousia é un feito raro no noso románico. Nas paredes poden verse moitas marcas de pedreiro e perto de cincuenta canzorros con variadas figuras entre as que se enxergan follas, espirais e cabezas de touro ou vaca e humanas. No seu conxunto, a igrexa mostra unha forte proximidade estilística co templo de Santiago de Bembrive, que se localiza no mesmo concello de Vigo, a poucos quilómetros de Castrelos. Fachada principal Na fachada principal a representación central é unha cruz patada -que ten os brazos que se estreitan ao chegaren ao centro e que se alargan nos extremos-. Está rodeada por seis pequenas representacións de árbores moi esquemáticas, dúas a cada lado da parte baixa e unha na alta. As arquivoltas son decoradas con formas estreladas (rosáceas). Na parte interior da igrexa está a outra face do tímpano, coa mesma cruz, tamén rodeada de pequenas árbores. O tipo de cruz corresponde aos vellos modelos paleocristiáns e altomedievais, comúns en gran parte da Europa desde os primeiros séculos do cristianismo. Esta cruz lembra moito a gravada na lauda do bispo Teodomiro (Theodemirus) na Catedral de Santiago (ano 847) e o tipo de xoias de prestixio como a Cruz de Santiago, doada á sé compostelá por Afonso III no 874 (roubada en 1907 na Catedral e destruída) ou a Cruz de Santiago de Peñalba (Val do Oza, Ponferrada), do século X, que se conserva no Museo de León. O portal sur ten un tímpano idéntico ao da fachada principal, un pouco menor, e repite a mesma cruz no interior, tamén con árbores ao redor e coas formas estreladas nas arquivoltas. Neste mesmo lado sur existe unha xanela á esquerda da fachada que novamente representa o mesmo modelo de cruz en forma de tímpano. Este portal permaneceu murado até ben entrado o século XX, co tímpano oculto, como se pode ver en documentos fotográficos e nun fermoso debuxo arqueolóxico de 1918 do arquitecto Antonio Palacios editado por José Ramón Iglesias Veiga (Antonio Palacios. Unha viaxe por Galicia, Engaiolarte, 2019). Os tímpanos de Castrelos foron decorados, pois, cunha soa imaxe simbólica: a cruz Ao norte a fachada é semellante á do lado sur coa diferenza da forma da cruz, que desta vez corresponde ao tipo de "cruz bordonada grega", cruz inserida nun círculo exterior, con outro círculo máis pequeno na intersección dos brazos. Neste caso tamén se reproduce no interior o mesmo tímpano. Esta tipoloxía de cruz, encadrada nun círculo, remítenos, de novo, aos modelos de prestixio de metais preciosos. No conxunto dos tímpanos de Castrelos achamos unha combinación de cruces, formas estreladas e árbores que con variantes aparecen en diferentes igrexas da diocese de Tui, como é o caso do tímpano de San Salvador de Louredo (Mos) ou o de San Xoán de Albeos (Crecente), onde se poden ver flores de lis, que son representacións sintéticas de palmeiras, a carón das cruces. Segundo Rocío Sánchez Ameijeiras (El tímpano románico. Imágenes, estructuras y audiencias, Xunta da Galiza, 2003), os tímpanos de Castrelos proceden desta familia coas flores de lis xa convertidas en palmeiras. Esta combinación de cruz de prestixio, estrelas e palmeiras remitiría a modelos paleocristiáns, coas imaxes triunfais da cruz presentadas nun ceo de estrelas fixas, o que leva a diferentes estudosos (Jaime Delgado Gómez; Rocío Sánchez Ameijeiras) a pensar en que os artistas desta área da diocese de Tui debían ter un repertorio que incluía modelos tirados de sarcófagos antigos, paleocristiáns, do tipo chamado de "cruz invicta", representación do triunfo de Cristo sobre a morte. A relevancia da cruz Os tímpanos de Castrelos foron decorados, pois, cunha soa imaxe simbólica: a cruz, e subliñarían a sacralidade do edificio no acceso ao recinto sagrado e nas dúas faces das diferentes portas, un motivo que viría determinado polo ritual de consagración da igrexa. O protagonismo da cruz ten aínda un novo elemento significativo: a cruz situada no exterior do muro testeiro, unha cruz antefixa, cravada sobre un animal bicéfalo, que semella, como indicou Jaime Garrido (La iglesia románica de Santa María de Castrelos, Instituto de Estudios Vigueses, 2016), un dragón, cos seus dentes de crocodilo e un evidente ar demoníaco. Esta cruz cumial foi debuxada por Castelao e reproducida no libro As cruces de pedra na Galiza (Editorial Nós, Buenos Aires, 1950). Se a isto unimos a representación da cruz na forma interior dos óculos da ábsida, vemos que todo o templo está rodeado pola presenza absoluta do símbolo da paixón de Cristo e do seu triunfo sobre o pecado, que se nos presenta desde o tímpano do portal principal até o rosetón da ábsida nunha continuidade visual. A singularidade desta igrexa fixo que desde finais do século XIX fose obxecto de estudos e tema de ilustracións, que comezaron cos pioneiros traballos de José Villa-Amil e Castro, que visita a igrexa en 1898 e analiza o seu estilo no libro Iglesias gallegas de la Edad Media (1904) e Ángel del Castillo López, que en 1911 publica un estudo monográfico sobre o templo no Boletín de la Real Academia Gallega. A principios de século XX, co renovado interese da intelectualidade galega polo patrimonio medieval, foi debuxada por Antonio Palacios, Ventura Requejo, Carlos Sobrino ou Castelao, que tamén recolleu unha lenda popular asociada ao templo: "O Ferreiro de Castrelos", traballo que o rianxeiro publica no número 73 da revista Nós o 15 de xaneiro de 1930 acompañado dunha fotografía da porta sur murada, un asunto ao que a lenda alude. Da esvástica castrexa á pintura renacentista Alén do románico, Castrelos garda outras manifestacións artísticas de grande interese, especialmente as pinturas renacentistas que poden ser vistas no interior. Na parede norte encóntranse dúas zonas con pinturas murais, que foron restauradas en 1995. Na parte occidental da parede podemos enxergar parcialmente a escena da Visitación, un Santo e a Epifanía, e na parte oriental da mesma parede un Cristo en Maxestade e a Misa de San Gregorio. Segundo Monterroso Montero (La iglesia románica de Santa María de Castrelos, Instituto de Estudios Vigueses, 2016) as máis antigas son a Misa de San Gregorio e o Cristo en Maxestade que datarían da primeira década do século XVI; a Visitación, un Santo e a Epifanía serían de pouco máis tarde, da cuarta década do mesmo século, isto é, dous conxuntos de mans diferentes separados por preto de trinta anos na súa execución e con analoxías con outros murais desta altura na Galiza e o norte de Portugal. O conxunto monumental complétase coa reitoría, edificio que presenta no exterior un grande arco semicircular baixomedieval e no interior ten un lintel cun brasón de flores de lis e dúas cruces de Malta, estas últimas claramente ligadas á propiedade da Encomenda de Beade da orde de San Xoán de Xerusalén. Na construción actual podemos detectar o reaproveitamento de elementos castrexos Finalmente, cómpre resaltar que a poucos metros da igrexa estaba o castro do Piricoto, hoxe enteiramente destruído. De feito na construción actual podemos detectar o reaproveitamento de elementos castrexos, o máis visíbel é un no lado esquerdo da xanela da fachada principal, unha bela esvástica castrexa do tipo denominado "dextrossum" porque os ángulos dos seus brazos apuntan para a dereita. Esta, como unha parte da pedra das paredes, debe vir destes antigos poboados aos cales o topónimo fai referencia. |
QUEPASA_290 | Máis de 10 anos en Londres, o emigrante máis coñecido da diáspora camariñá, tamén sofre esta pandemia. Marchou para fuxir dunha crise económica e agora atopouse con outra peor. Tivo que deixar a súa gaita e buscar un novo traballo. Atopouno nun hospital de limpador. E alí viviu tamén escenas como as que se viviron en España hai semanas. Esta é a súa historia. | Chámome David Carril Castiñeira, e nacín en Xaviña (Camariñas) hai 39 anos. Cheguei a Londres hai dez, despois de perde-lo emprego que tiña de conductor de camión-hormigoneira debido ao parón da construción naquel momento. Levaba varios anos combinando empregos de diferente tipo co estudo da música tradicional galega, e tocando gaita en diferentes asociacións, pero a cousa non dou máis de si e decidín aventurarme a emigrar a Londres, grazas a un amigo que me conseguiu traballo e aloxamento. Na capital británica non deixei a miña paixón e, dun xeito sorprendente, enseguida conseguín diversos traballos que ía compatibilizando co meu posto de conserxe nun tribunal. Contratáronme no restaurante do Centro Galego para animar as noites do fin de semana e os veteranos galegos da cidade, cando necesitaban un gaiteiro para determinado evento, contaban comigo. Tamén no meu afán de atopar un lugar onde poder practicar, achei un posto na Ponte de Westminster, ao lado do famoso Big Ben, onde os gaiteiros escoceses que alí traballaban, recelosos ao principio, me acolleron coma un máis da familia. Co tempo, eu tamén me animei a mercar un traxe e gaita escocesa, e con eso conseguín máis traballos e mellor pagados, como vodas árabes, eventos do SNP (Partido Nacional Escocés), as tradicionais Burns Nights (Unha festa anual adicada ao poeta máis popular de Escocia onde se celebran a literatura e tradicións escocesas, semellante dalgún xeito ás nosas Letras Galegas). O traballo de conserxe era xa historia. Así, neste afán por mellorar na gaita escocesa sen deixar de lado a miña propia, me colleu a pandemia do Covid-19. Dun día para outro tiven que aparca-la miña vida cotiá e adaptarme ás novas circunstancias. Aínda que pronto conseguín o Universal Credit (prestación por desemprego) eu non era amigo de ficar na casa. Pensei que sería útil dalgún xeito e atopei un traballo nun hospital do norte de Londres, facendo limpeza. Era un momento no que a xente non quería eses traballos por consideralos perigosos, pero para min era unha nova aventura, ademáis de unha posibilidade de axudar e de escapar do confinamento. Pensei en atopar un escenario coma os que vía na prensa española, pero ese hospital era pequeno, normalmente adicado a rehabilitación de xente maior con problemas de mobilidade e naquel momento (empecei o 31 de marzo) había sospeitas pero ningún caso confirmado.Na terceira semana lembro que o venres xa tiña un caso confirmado na miña área e o luns, cando volvín, xa eran todos pacientes confirmados agás un par deles. Os compañeiros comentaban que o hospital veciño, moito máis grande, non daba abasto e mandaban os casos máis leves ou xa recuperados ao noso hospital para pasar a cuarentena. A área de consultas externas seguía aberta pero con servicios mínimos e moitas medidas de precaución e nas habitacións de internos notábase tensión entre o persoal. Ao principio os limpadores tiñamos mellores equipos de protección que os sanitarios, e mentres algúns ironizaban sobre os nosos traxes de protección persoal (PPE en inglés) outros estaban máis intranquilos e pedíannos algún de sobra. Eso pronto cambiou, pois na empresa deixaron de envialos, alegando que non os necesitabamos, e que non precisabamos achegarnos aos pacientes con Covid a menos de dous metros. A nosa única protección naquel intre eran as mascarillas, as luvas, e unha ducha despois de limpar habitacións infectadas. Ao mesmo tempo os equipos de protección dos sanitarios mellorou por varios motivos, polos que lles enviaba o goberno e pola doazón de particulares. É moi bonita a historia que contaba unha enfermeira que traía as máscaras de protección facial. O seu veciño, despois de perder a súa nai por esta enfermidade, dedicouse a fabricar estas máscaras para doalas ao persoal sanitario. Hoxe en día xa non temos pacientes infectados no noso hospital, a xente está moito máis tranquila i eu sigo mirando adiante con optimismo. Teño dúas vodas confirmadas este verán, e polo de agora estou enfocado no documental que está preparando Alessandro Bordin, un antropólogo italiano, sobre a miña persoa, no que se recollen escenas da colectividade galega en Londres, así como da miña conexión ca cultura escocesa e do protagonismo da gaita na vida londinense. |
NOS_40285 | A escritora Marilar Aleixandre alerta ante a dupla cita electoral do 26 de maio sobre os perigos que entraña o ascenso da extrema dereita en Europa e considera preciso dar un xiro social á UE, apuntalando o estado do benestar e os servizos públicos. | Segue con atención a campaña das eleccións europeas? É difícil porque todos os medios están centrados nas eleccións municipais e non prestan atención ás europeas. Ademais, todo o meu tempo destes días de maio ocupouno o traballo relacionado coas Letras Galegas. Cales considera que son as prioridades de Galiza en relación á Unión Europea? Hai unha problemática que me preocupa moito que é o ascenso dos partidos de extrema dereita. Isto aféctanos a todas e todos, pois aínda que en Galiza Vox non teña case impacto, precisamos dunha Unión Europea máis social e non centrada en solucionar a vida aos bancos. A enerxía é outro dos desafíos en Galiza e en todo o mundo, relacionado co crecemento global e o cambio climático Ademais, na medida en que a extrema dereita gañe posicións na correlación de forzas no Parlamento Europeo, vai ser máis difícil dar un xiro social a Europa. E isto afecta tamén por exemplo a algo moi importante para Galiza como é o agro. De feito, a UE destina axudas económicas ao rural que as levan terratenentes que nin sequera saben distinguir unha planta doutra. A enerxía é outro dos desafíos en Galiza e en todo o mundo, relacionado co crecemento global e o cambio climático. Isto afecta os cultivos, a saúde, as reservas de auga e encoros... a UE debería tomar un liderado nisto e facer unha aposta a curto prazo para que a produción enerxética non dependese dos combustíbeis fósiles. Galiza ten moitas potencialidades nisto como é a enerxía eólica e solar. Ademais, coma produtores, Galiza debería contar con condicións e bonificacións que facilitasen o traballo nas empresas electrointensivas. Cara a onde debe camiñar a Unión Europea? A UE é, a pesar de todos os problemas que ten e dos recortes realizados, o espazo de máis democracia e benestar do mundo, sobre todo se o comparamos con EEUU ou Asia. Eu traballei en Sudamérica e nos EEUU e, agás algún caso como o de Cuba, alí nin se imaxinan a sanidade pública que temos na maioría dos países europeos. A UE é, a pesar de todos os problemas que ten e dos recortes realizados, o espazo de máis democracia e benestar do mundo Todo isto está en perigo coa dereita. No Estado español, por exemplo, o PP avanzou moito nos últimos anos no estabelecemento do ensino privado, tanto o primario como secundario e universitario. Isto vémolo cando nos decatamos de que non hai unha nova universidade pública no Estado desde hai 21 anos, mentres medran as privadas que, por certo, teñen unha calidade ínfima. Ese negocio en que se converteu a educación está avanzando e o PP tamén quixo facer o mesmo coa sanidade. O estado do benestar das últimas décadas do século XX está sendo desmantelado polo capital, converténdoo nun negocio con consecuencias perigosas para a poboación. O único bastión onde se conserva ese estado do benestar é a Unión Europea e é a única que o pode defender. |
NOS_30470 | O día da súa morte en xuño, a páxina da Asociación de Actores e Actrices mudou para un grande lazo negro. Agora, na primeira gala de entrega dos Premios María Casares que se celebra desde o seu falecemento, a profesión réndelle tributo concedéndolle a Xosé Manuel Olveira, Pico, o Premio de Honra Marisa Soto. | O pasado xuño morría Xosé Manuel Olveira, Pico, un dos máis recoñecidos actores da nosa escena e a profesión, os seus compañeiros e compañeiras do teatro, lamentaban a perda dun dos nomes máis relevantes do teatro galego. No primeiro acto de entrega dos Premios María Casares desde entón, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galiza, Xosé Manuel Olveria, "Pico" será o homenaxeado co premio de honra, demostrando que era "respectado e apreciado tanto polo público como polo sector". Co filme "Somos xente honrada", estreada no Festival de Málaga, pechaba a conta de filmes Xosé Manuel Olveira, Pico; poñendo fin a unha dilatada traxectoria na que o actor subiu ao cumio do teatro galego, foi querido e popular nas súas intervencións en series televisivas e protagonizou as máis brillantes interpretacións da escena contemporánea. Lugar estelar no teatro profesional Nacido en Esteiro, Muros, en 1955, Xosé Manuel Olveira incorporase ao mundo do teatro en 1972, participando en diversas compañías que lle proporcionaron un lugar estelar no teatro profesional, desde a inicial amadora Ditea até ser un nome de referencia nas obras do Centro Dramático Galego, producións que lle valeron diversos premios, entre eles, varios María Casares e Mestre Mateo. A imaxe de Olveira está apegada nos seus inicios aos comezos do cinema en galego, ás producións de Chano Piñeiro nas que a súa interpretación comezou a abrirlle portas no mundo do audiovisual, no que se convertería no nome máis recoñecido, tanto polos filmes que protagonizou como polas series televisivas nas que participou. Medio cento de filmes e popular polas series Arredor de medio cento de filmes teñen Pico entre o seu reparto, desde as iniciais con Chano Piñeiro até "Fuxidos", de Sancho Gracia; "El rey del río", de Gutiérrez Aragón; "Blanca Madison", de Carlos Amil; " A lingua das bolboretas", de José Luis Cuerda; "Cuando vuelvas a mi lado", de Gracia Querejeta; "La noche que dejó de llover", de Alfonso Zarauza; "Celda 211", de Daniel Monzón; "18 comidas", de Jorge Coira; ou "Doentes", de Gustavo Balza. Mais foi nas series televisivas nas que Xosé Manuel Olveira se fixo popular, converténdose nunha das imaxes máis recoñecidas do audiovisual. Inesquecíbeis son as súas participacións en series como "Pratos combinados" ou "Padre Casares", que contou co aplauso da audiencia ou "Air Galicia" mais tamén coa presenza en series da televisión española como "Cuéntame". Olveira foi presidente da Asociación Galega do Audiovisual e un dos referentes máis respectados entre a profesión, con solidez profesional e persoal na defensa do teatro e o audiovisual galego. |
NOS_46057 | A CIG xa convocou unha mobilización para esta quinta feira en Vigo, co obxectivo de exixir a readmisión desta ex traballadora de Termocalor. | A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de anunciar unha concentración para esta quinta feira, en apoio dunha muller que sufriu acoso laboral durante máis de catorce anos, após quedar embarazada en 2008. A mobilización terá lugar diante da Sección provincial de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) de Vigo, ás 11.45 horas. Denuncia contra o Sergas por "expor" traballadoras embarazadas, lactantes e con patoloxías crónicas Segundo explica o sindicato nun comunicado, este acoso laboral comezou en 2008, "nada máis anunciarlle ao seu xefe [na empresa Termocalor] que se atopaba en estado". Desde ese momento e até 2010, a traballadora despedida denunciou que sufriu acoso laboral por razón de xénero. Un acoso que se agravou nese 2010, "cando decide ser nai por segunda vez e optan por cambiarlle o horario e obrigala a facer as cinco horas de redución a xornada partida (dúas pola mañá e tres pola tarde)". As persoas maiores, embarazadas ou con patoloxías previas terán dereito a baixa laboral Tal e como ela explica, "para min era imposíbel, porque precisamente collín a redución para traballar só de mañá e poder atender as crianzas pola tarde; non me daba tempo a comer nin a coidalas, polo que acabei cun estrés enorme e con ataques de ansiedade e tiven que coller unha baixa". Sentenza do Tribunal Supremo Asesorada pola CIG, levou o seu caso ao Tribunal Supremo (TS), e en 2019, este deulle a razón e obrigou a compañía a que lle restituíse o horario para traballar só de mañá, que lle recoñecesen como enfermidade laboral a baixa por ansiedade que tivo que coller e que a indemnizasen con 3.000 euros por danos e prexuízos. Ademais, impúxolle á empresa unha sanción administrativa de 20.000 euros por acoso laboral durante máis dunha década, despois de que a traballadora rexeitase a proposta do propietario de Termocalor para renunciar ao traballo, evitándose así ter que pagar a indemnización correspondente. Condenan unha empresa viguesa por acoso laboral a unha empregada embarazada Tres anos despois, cando o seu segundo fillo cumpriu 12 anos e rematou a súa reducción de xornada, a traballadora recibiu a rescisión do seu contrato, que a dirección da empresa xustificou "aludindo a supostas medidas disciplinarias". Porén, para a central sindical trátase dunha "represalia" e unha "clara vulneración dos seus dereitos fundamentais (da traballadora)". Neste sentido, a CIG presentou unha demanda reclamando a nulidade do despido, ademais de convocar a concentración desta quinta feira, que coincidirá co acto de conciliación previo á celebración do xuízo. |
PRAZA_18954 | Os sectores reformistas do réxime e as forzas da oposición interna deben procurar un dialogo que conduza a un gran acordo nacional que permita unha saída democrática e xusta para Cuba. De non ser así e, diante á dubida, sempre é mellor apostar pola vida. | O aniversario da disolución da Unión Soviética coincidiu cunha potente vaga de protestas na illa de Cuba. Repasando os medios con liña editorial progresista atopei un bo número de artigos dedicados ao primeiro acontecemento; lóxico. Sobre o segundo tema, un silencio incomodo; menos lóxico a estas alturas.A década dos noventa iniciárase co fin do proceso de "desmerengamento" – un neoloxismo acuñado por Fidel Castro – do bloque comunista do leste. Naqueles anos visitou Galicia Carlos Tablaba, o seu libro "El pensamiento económico del Che Guevara" converteuno nun dos economistas de referencia daquel momento. Nas múltiples conversas daqueles días afloraban as contradicións dun tempo de tránsito.O 92 foi unha festa en España. Barcelona, Sevilla, Madrid. Olimpíadas, Expo e Capital Cultural. Pero si houbo un acontecemento que concitou o consenso social foi o que transcorreu aquel verano en Galicia. Por obra e gracia de Manuel Fraga e Fidel Castro, conservadores e progresistas, encantados de coñecerse, compartiron unha romaría popular –nunca mellor dito- en Láncara. Os dous xigantes xogaron ao domino e fixeron unha queimada. A Fidel ata lle agasallaron cun cabalo que se paseou polo ensanche compostelán. E nese ambiente fraterno a Fraga non se lle ocorreu mellor idea que recomendar a Fidel que liderara unha transición democrática ao estilo español. Fidel que non era unha persoa ao que lle gustaran os consellos deu por rematada a festa.Dous anos despois, aínda atordados polo rápido que se desenvolvían os acontecementos, publiquei un dos meus primeiros artigos. Pasaron vinte oito anos pero algunhas das cousas alí escritas creo que serven para entender a encrucillada na que hoxe esta aínda a Illa. Dicía daquela: "A caída do muro de Berlín non só daba por rematada a guerra fría senón que pechaba unha primeira etapa do socialismo a nivel mundial que se caracterizou polo seu estatalismo, a súa excesiva centralización e unha concepción totalitaria froito da escasa cultura democrática existente nos primeiros países socialistas que a calor da estratexia de bloques foi adquirindo grados cada vez maiores de militarismo.A inexistencia dun proceso lineal da historia nos debe axudar a entender esta volta do socialismo ao capitalismo. Das relacións e contradiccións dos distintos centros de poder na Nova Orde haberá que esperar o seu posterior desenvolvemento que axuden a ter unha visión máis clara das tendencias que se apuntan. O importante, agora' é responder as interrogantes que nos axuden a sacar conclusións positivas para o propio futuro da esquerda. Interrogantes como si era posible ou non a renovación do modelo socialista da etapa anterior? ou se a saída desta etapa podía ser outra que á que remata nun fracaso tan estrepitoso?, son importantes agora que parece entramos no segundo acto desta derrota, a que afecta ós países socialistas periféricos.Quizás teñan razón aqueles autores que opinan que a última oportunidade de renovación deste socialismo foi na década dos cincuenta, que con Nikita Kruchev ao fronte do estado soviético trazou un programa de reformas, que fracasou ante falla de profundidade e a improvisación no que se desenvolveu. A posterior etapa do 'estancamento burocrático', a súa dobre moral e a disociación permanente entre os ditos e os feitos, acabaron co que o terror staliniano non fora capaz: o pulo subxectivo dun pobo que pese a todo apoiaba o proxecto revolucionario.Na década dos oitenta a 'Perestroika' volvía a reabrir o debate da renovación e facía renacer, aínda que fora por pouco tempo, a esperanza da esquerda.Pronto aparecerían no seo dos partidos e gobernantes comunistas dúas estratexias diferenciadas. Fronte a proposta radical da Perestroika -revolución na revolución- empezaron a ouvirse voces que cuestionaban o lonxe que ía a mesma e 'advertían da 'necesidade de cambios máis prudentes, suaves e calculados'.As diferencias foron tendo concrecións:Desmantelamento do sistema totalitario que dera paso a un proceso democrático que rematara cun 'estado socialista de dereito', fronte, ao afondamento nas 'normas democráticas do socialismo'; separación total do Partido e do Estado pasando do dirixismo vertical á conquista da hexemonía na sociedade civil, abrindo a vía do pluripartidismo real, fronte, ao 'perfeccionamento dos mecanismos do Partido e do Estado';creación, polo tanto, de canles autónomos de poder de expresión – Glásnost - sen os caes a verdadeira participación seria imposible, fronte, a unha maior apertura vixiada nos medios de comunicación oficiais;descentralización e desestatalización económica como medio de instaurar unha economía con distintas formas de propiedade social, fronte, á permisividade de iniciativas privadas sen modificar a ríxida estrutura central;renovación cultural e de pensamento imposible sen desfacer calquera ollada de ideoloxicismo ou doutrina oficial, fronte, a necesidade de maior afondamento nos 'valores do socialismo'. A pesar do que puidera parecer nun primeiro momento, onde todos os partidos comunistas e administracións de países socialistas falaban da necesidade de reformas, tratábanse de dúas concepcións totalmente opostas e irreconciliables na medida en que unha buscaba cambiar de modelo namentres que a outra apostaba polo seu perfeccionamento.O fracaso do proceso aberto pola Perestroika, lonxe de dar a razón aos seus detractores, puxo sobre o tapete os elementos dunha crise sen precedentes que levou por diante a aqueles países que se crían máis remotas das súas formulacións - Romanía e Albania -. O único que se demostra do fracaso da Perestroika era o grado de decadencia dun sistema que imposibilitaba calquera renovación profunda. Así, a batalla política nos países socialistas europeos foi pasando dunha primeira fase entre un socialismo totalitario e un socialismo democrático, a unha segunda onde a batalla xa era entre os renovadores do socialismo e os partidarios do capitalismo.Namentres todo isto se producía en Centro Europa nos países socialistas da periferia se era alleo a unha situación que a pesar de deteriorarse crían poder esquivar. A realidade era ben outra, a crise estaba nun primeiro acto que tiña o seu escenario principal na Europa do Leste, principalmente na URSS. Algún pensou nun drama nun só acto cando, en realidade, estabamos ante unha peza tráxico cómica en dous actos.As autoridades cubanas non podían ser alleas a este erro.Cuba era, aparentemente, allea a moitos dos problemas que se formulaban nos países do centro e do leste de Europa pero esto non era de todo certo; ao fin e ao cabo un proceso xenuíno -que incluso no seu momento fora unha herexía no movemento comunista- foise, obrigado pola situación hostil, a un hibrido contaminado en todos e cada un dos seus mecanismos do aparato económico, da administración política e do partido por elementos provinte do modelo soviético.O propio bloqueo norteamericano obrigou a necesidade da subvención soviética e con iso, a ampliación da súa influencia política e cultural sobre a illa.Dous anos antes da propia Perestroika o goberno da Habana puxo en marcha un amplo proxecto de reformas que co nome de 'rectificación' trataba de mellorar aqueles aspectos deficientes no funcionamento do sistema, o cal de por si non era novidoso, pero tamén, e aquí esta o verdadeiramente importante, trataba de modificar elementos que froito da copia do modelo soviético estaban xerando problemas. Non é casual que este plan de reformas se fixera tomando como bandeira a recuperación do legado político do Che.Nunca poderemos saber o alcance desta reforma de terse podido desenvolver en condicións óptimas e baixo o 'paraugas' do aínda existente bloque socialista. A crise do leste europeo se precipitou, o plan de reformas empezou a perder forza e comezou a pesar máis a idea da prioridade dos cambios económicos sobre os políticos e a corrección de problemas que xurdían no mecanismo do sistema en lugar de substituílos.Nos discursos que Fidel pronuncia ao longo do ano noventa, dous anos antes do desmantelamento da Unión Soviética, hai unha idea central que nos amosa isto. Fidel pon en alerta ao pobo de Cuba diante dun posible desastre na Unión Soviética e máis ala diante da posible desaparición do campo socialista; para chegar incluso a mostrar a situación dunha posible orde mundial coa existencia de Cuba como único país socialista resistente. Esta idea de resistencialismo voluntarista foi dominando todo o pensamento da dirección cubana, dando novos pulos aos sectores máis dogmáticos do réxime que deron por finalizada a política, timorata pero interesante, da 'rectificación', perdéndose uns anos valiosos para que Cuba se (re)situara nun novo contexto internacional totalmente diferente ao vivido ata ese momento.Cuba entrou nunha especie de 'vía china' de reformas que consistía en liberalizar a economía pero deixando intacta a estrutura de poder político. Os dirixentes cubanos non foron quen de calcular a diferencia de recursos propios e axudas estranxeiras entre eles e o réxime de Pequín. As reformas políticas quedaban para tempos mellores.Os cambios económicos foron intensificándose e tiveron o seu máximo expoñente na entrada de capital estranxeiro na maior industria cubana -o turismo-, e na liberalización da circulación do dólar (medidas que pola historia última de Cuba están cargadas dun importante simbolismo).A partir de aquí a situación social non só se deterioraba polo bloqueo senón que ía bipolarizándose en función das novas medidas. As diferencias sociais na illa ían agudizándose e o que é peor, o apoio da poboación ao sistema ía diminuíndo diante a dobre realidade entre o 'período especial' que sufrían os habitantes normais da illa e os circuítos turísticos aos que accedían con facilidade a calquera produto de 'marca' non só visitantes estranxeiros senón elites privilexiadas e burócratas da administración e do partido.Así, a intensificación destas medidas económicas, supostamente dirixidas para conseguir divisas con que romper o bloqueo, se convertían nun novo problema:Abríase un proceso de privatización no sector turístico, única industria estratéxica en Cuba, quedando en mans de capital estranxeiro; pechábase toda posibilidade de forte inversión a corto-medio alcance nos sectores produtivos e máis necesarios nun proxecto de soberanía nacional; liquidábanse, neste sector, conquistas sociais e laborais existentes como o dereito a folga ou a existencia de representantes das traballadoras e dos traballadores; xerábase unha sociedade dual cara ao interior, entre os propios cubanos, e cara afora, entre cubanos e estranxeiros; renacían, pola degradación da situación, situacións sociais 'propias do capitalismo' abríndose a fenda da desigualdade social; as divisas non se empregaban para a compra de necesidades primarias ou industriais senón que ían dirixidas, nunha porcentaxe importante, a reabastecer de produtos estranxeiros nas tendas de dólares.A sociedade cubana, que nun primeiro momento apoiou as medidas como única saída, ía perdendo a esperanza a medida que a situación en lugar de mellorar empeoraba, a pesar das promesas voluntaristas dos seus dirixentes que situaban os tres primeiros anos do período especial (89/92) como os peores, e polo contrario volvía a renacer a sociedade dual cubana desterrada xunto con Batista.No ano 89 a calor do proceso contra o alto mando militar desprazado en Angola empezaron a ouvirse con forza voces dentro do PCC da necesidade de situar os cambios na esfera política. Foi Roberto Robaina, capaz de imprimir un novo estilo a UJC, o primeiro en advertir da necesidade de cambio estruturais e aproveitar o xuízo contra Ochoa para situar que 'algo fallaba politicamente cando estes casos de corrupción se daban na esfera da cúpula do poder'.Empezaba unha loita soterrada dentro da propia estructura de poder entre os sectores inmobilistas que escondéndose tras un ideoloxicismo oco, e utilizando a pantasma do inimigo exterior, reforzaba os seus privilexios e preparábase o mesmo futuro que os seus colegas da antiga Unión Soviética e países do leste europeo reconvertidos en xestores actuais do novo rumbo capitalista, e os sectores politicamente progresistas que pretenden ir ó fondo dos problemas para acadar unha Cuba democrática e de progreso nun mundo diferente e cambiante.Nesta batalla o bloqueo norteamericano non fai máis que favorecer aos sectores duros do exilio de Florida e aos sectores máis inmobilistas do réxime cubano. Namentres, a administración norteamericana espera sen presa. Son moitos anos agardando o desquite que restableza o honor perdido. A actual crise dos balseiros, non nos enganemos, non fai mais que mostrar o grado de desilusión no que se atopa unha parte importante do pobo cubano. Os sectores duros de Miami soñan cunha volta ao seu paraíso e algúns dos actuais dirixentes da administración cubana van situándose en posicións de saída que lle permitan xogar un importante papel económico e político nunha hipotética nova situación.Os sectores democráticos e progresistas deben forzar un proceso de cambios que permitan entrar no século XXI cunha Cuba soberana, democrática e social. É fundamental acabar co bloqueo económico que só favorece as forzas conservadoras. Nese senso, o encontro de "A nación e a Emigración" organizado por Roberto Robaina na Habana debe ter continuación. Esperemos que así o entendan as dúas partes do cumio cubano-norteamericano que se inicia estes días en New York. Clinton debe romper coa tradición dos últimos presidentes norteamericanos que no tema cubano se mostraron igual de intransixentes xa foran demócratas ou republicanos. Seria bo, para elo, que empezase por retirar como asesores da Casa Branca a políticos revanchistas e a sectores extremistas do exilio cubano.A esquerda non debe volver a cometer o erro de situarse sobre a interrogante de si 'son posibles ou non os cambios?' na perspectiva 'do menos malo'; senón si 'son necesarios ou non?'.Fidel Castro debe saber que só os cambios aseguran o futuro dos proxectos e apostar decididamente pola saída apuntada desde fai tempo por Roberto Robaina." A situación, desde aquela, seguiu degradándose económica, social e politicamente. Roberto Robaina 'caeu en desgraza' e con el unha nova xeración de comunistas dispostos a iniciar un proceso democrático. As autoridades cubanas desaproveitaron as oportunidades que a gobernanza de Barack Obama supuxo para Cuba, Unha nova xeración de cubanos creceu neste período pensando, xa non como as anteriores en marchar ao norte senón, en construír unha nova Cuba.Unha voz tan pouco sospeitosa de contrarrevolucionario como Silvio Rodríguez apuntaba recentemente a necesidade de dialogar cos sectores novos descontentos para procurar unha saída a demandas que teñen razóns.En historia convén diferenciar ditadura de tiranía. Nas dúas están limitadas as liberdades dos individuos e non hai canles para a pluralidade existente en termos de que a maioría goberna e a minoría non ve limitados os seus dereitos políticos. A diferencia, relacionada co grado de aceptación social de ambas, esta na arbitrariedade do ditador ou da oligarquía que goberna que se da nas tiranías fronte a existencia de normas, anque inxustas, que permiten saber sobre que regras de xogo se move o cidadán, nas ditaduras.Coñecemos momentos históricos en que algunhas ditaduras xogaron un papel modernizador e mesmo aseguraron un certo progreso social, Cuba é un bo exemplo diso durante décadas. Pero cando a ditadura perde apoios sociais e o réxime se degrada so existen dúas saídas - ou da un paso cara a democracia de forma consensuada, ou simplemente remata nunha tiranía asfixiante e caprichosa, que polo xeral acaba en confrontación social violenta -.Os sectores reformistas do réxime e as forzas da oposición interna deben procurar un dialogo que conduza a un gran acordo nacional que permita unha saída democrática e xusta para Cuba. De non ser así e, diante á dubida, sempre é mellor apostar pola vida. |
NOS_28725 | Van aló catro décadas do golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981 e fica aínda moito por aclarar. Mentres que o Congreso dos Deputados se prepara para lembrar na terza feira, nun acto coa presenza de Felipe VI, o 40 aniversario da tentativa, continúan as dúbidas a respecto da versión oficial daquel operativo. | Os sucesivos actos de lembranza do golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981, como o previsto no Congreso dos Deputados, non foron acompañados de decisións gobernativas que puxeran a dispor da sociedade a documentación que custodian os arquivos estatais sobre o acontecido nesa data. As fendas e contradicións na versión oficial e a decisión dos diversos Executivos de manter clasificados nestes 40 anos informacións clave para aclarar o acontecido non fan máis que aumentar as dúbidas a respecto dun relato cuestionado por historiadores e parte da cidadanía. Carlos Dafonte é un dos que viviron en primeira persoa aquela data que cuestiona aspectos do relato oficial. Militante do Partido Comunista desde o franquismo e concelleiro do PCG en Lugo, lembra a Nós Diario que soubo do golpe de Estado "na antesala do despacho da Alcaldía, cando o rexedor Novo Freire, militante da Unión de Centro Democrático (UCD), saíu fóra para comunicarnos que o chamaran de Madrid para dicirlle que saíran os militares á rúa. Despois trasladámonos á sede da UCD, onde acudiron representantes tamén do PSOE como Varela Flores e alí propuxen sacar un panfleto chamando a paralizar a cidade ao día seguinte. Naquel momento Antonio Rosón, que estaba no local, reuniuse con nós para dicirnos que falara co seu irmán Luís, xeneral do exército, e que lle dixera que todo se ía arranxar". "Aquela noite quedei coa desconfianza por saber de que lado estaba o monarca pola súa tardanza en saír a condenar o golpe e desde ese momento fiquei coa dúbida sobre a súa implicación", sinala Dafonte, quen non durmiu na súa casa por prevención "pois un grupo de militantes da extrema dereita comezaron a moverse nas proximidades da miña casa desde que souberon da acción de Tejero". Na mesma liña, este veterano comunista amósase convencido de que "o golpe de Estado do 23-F deunos razóns a aqueles que advertíamos que os aparatos de Estado estaban cheos de franquistas e serviu para amedrentar a poboación e preparar o camiño para o triunfo do PSOE en 1982". "O golpe non nos colleu por sorpresa" O escritor Lois Diéguez exercía de portavoz da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) desde 1978. Militante nacionalista desde os anos 60 e unhas das referencias públicas do Bloque, recoñece a Nós Diario que o golpe de Estado "realmente non nos colleu por sorpresa tendo en conta a persecución que xa viñamos sufrindo, se ben si que me sorprendeu a forma de entrada dos gardas civís no Congreso. Eu estaba convencido de que a situación estaba controlada e esa mesma tarde mantivemos unha reunión en Lugo e tamén contactamos coa filiación. Naquel momento acordámonos moito da caída de 1975 cando asasinaron a Reboiras e tamén nos valeu a experiencia que tiñamos da clandestinidade". "O período da Transición estivo marcado por tres poderes fácticos, a banca, o Exército e a Igrexa", sinala Vázquez Fouz "O 23-F serviu para consolidar o réxime, meter medo, dar armas para combater o nacionalismo e iso aproveitárono para debilitarnos", sinala Dieguez, quen observa coincidencias entre aquela conxuntura e "o que pasa neste momento, onde a dereita, que neste país é extrema nas súas tres formas, semella ter medo a que se lle vaia das mans a situación após 40 anos no que os problemas de fondo se foron agravando. Estamos nun contexto onde non hai sitio para a ambigüidade e por iso tamén tentan meter medo para impedir calquera alternativa de cambio". Malia isto, Diéguez considera que "a alternativa de ruptura é hoxe máis masiva que daquela". María do Carme García Negro tivo coñecemento da entrada dos militares no Congreso dos Deputados mentres se recuperaba dunha gripe. "Estaba escoitado a radio e sinto os disparos no Congreso e inmediatamente me poño en contacto cun responsábel do partido, quen me indica que marche do meu piso e vaia durmir na casa dun familiar. Alí estiven ouvindo a radio até que o rei saíu dicir que o golpe estaba resolto. Nese momento sentín alivio pensando que desta libraba", lembra a naquela altura profesora da Facultade de Económicas da USC, responsábel da AN-PG en Compostela e membro da dirección nacional desa organización. "Parte dos obxectivos dos golpistas conseguíronse" "Independentemente do que se puido sentir naquel momento, parte dos obxectivos que perseguían os golpistas conseguíronse. O golpe de Estado abriu a porta á integración na OTAN, impulsou as modificacións das estruturas estatais para facelas homologábeis ás necesidades do Mercado Común Europeo, até o punto de dotar ao Estado español da lexislación mais permisiva da contorna para entrada do capital estranxeiro, modulou as posibilidades de avances nunha dirección progresista e consolidou as posicións de privilexios para o estamento militar, o capital financeiro e a Igrexa católica", asevera García Negro. José Vázquez Fouz estaba no Congreso cando foi asaltado por Antonio Tejero e un grupo de gardas civís. Funcionario do Ministerio de Agricultura, afiliado socialista desde 1975 e deputado pola circunscrición de Pontevedra tras encabezar a lista do PSOE, recorda a Nós Diario aquela xornada "pola desagradábel impresión do propio golpe e a alegría de poder contalo. Non pasei medo persoal pero o seu triunfo significaba unha volta atrás porque pretendía unha ditadura, presidida por militares. Non só estaban marcando a túa vida senón o porvir do teu país após tantos esforzos para devolver a democracia". "O golpe de Estado serviu para consolidar o réxime, meter medo e dar armas para combater o nacionalismo", destaca Lois Diéguez "A Transición estivo marcado por tres poderes fácticos, a banca, o Exército e a Igrexa e fronte a esta análise moi poucos podían secuestrar o Goberno senón fora cunha estrutura detrás civil", sinala Vázquez Fouz, quen critica que "a existencia dunha trama civil nunca foi xulgada e saíu indemne do golpe". "Quedou a parte civil libre, aí quedou un xerme de xente facendo política que agora non fala de golpe de Estado porque non lles fai falla, mais están presentes no Congreso e desde alí loitan polas mesmas ideas e proxectos que defendían os promotores da tentativa do 23 de febreiro". Un punto de inflexión na historia do Estado Son moitas as incógnitas que fican por despexar arredor do golpe de Estado de 23 de febreiro de 1981. Unha das máis recorrentes refírese ao papel desenvolto naquel proceso polo monarca Juan Carlos de Borbón, cuxa figura vai saír claramente reforzada, conseguindo unha lexitimade democrática que até o momento non se lle recoñecía pola súa vinculación coa ditadura. Neste sentido, hai historiadores que inciden en que o golpe de Estado se fixo no seu nome e algúns dos principais promotores, como Alfonso Armada ou Milans del Bosch, significáronse pola súa proximidade á Casa Real, estando por aclarar se contaban ou non coa autorización do monarca. Unha parte importante dos investigadores consideran o golpe de 1981 como un punto de inflexión na historia contemporánea do Estado. Así, estes autores signifícano como o remate do tempo histórico aberto após a morte de Franco, o triunfo da operación de reforma e a consolidación dunha democracia de baixa intensidade, en coherencia coa tradición política española e as necesidades do bloque atlantista. Nesta lóxica explícano como o punto remate do proceso de Transición e a apertura dun novo ciclo político que se alonga até a perda da maioría absoluta de Felipe González en 1993. Sexa como for, o impacto do golpe de Estado deixouse notar no plano das liberdades. A este respecto, Lois Diéguez estabelece ligazóns entre este feito e "a expulsión dos deputados da coalición BNPG-PSG do Parlamento da Galiza", acontecida uns meses despois e coa que en opinión de María do Carme García Negro "abriuse a época máis dura para o nacionalismo, con todo o españolismo enfronte e con certo desánimo entre sectores da militancia para seguir adiante". |
NOS_53877 | O Estado ten dous meses para presentar alegacións, mais a dureza dos argumentos da Comisión Europea e a advertencia a Italia de xudicializar o proceso pola mesma ilegalidade, dificultan que España poida xustificar até tres ampliacións en contra da lexislación da Unión Europea. | O Estado español "incumpriu as obrigas que lle atinxen en virtude das normas de contratación pública da UE" pola ampliación da concesión da AP-9, sentencia unha carta enviada onte pola Comisión Europea ao Executivo encabezado por Pedro Sánchez, co fin de "garantir a correcta aplicación das normas da Unión Europea (UE) en materia de contratación pública e contratos de concesión". Esta extensión "sen iniciar previamente un procedemento de licitación pública", salienta a Comisión, é contraria á lexislación da UE, que estipula que "a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión, que só pode adxudicarse mediante licitación". O Estado ten dous meses para responder as alegacións do órgano executivo da UE, que considera ilegal a ampliación. De non obter contestación enviaría directamente un ditame. A decisión da Comisión Europea chega despois da demanda da plataforma En Colectivo, que denunciou as prórrogas aprobadas nos Gobernos estatais da Unión de Centro Democrático (até 2013), PSOE (até 2023) e Partido Popular. A prórroga máis longa foi concedida durante a xestión desta última forza política, con José María Aznar na Presidencia. Daquela, no ano 2000, outorgouse a Audasa unha prórroga até 2048. Desde que a autoestrada foi inaugurada en 1979, Audasa recadou en peaxes máis de 3.000 millóns de euros, segundo as contas da empresa. Malia que a concesión orixinal tería rematado en 2012, a ampliación permítelle estimar que obterá arredor de 13.000 millóns de euros máis até que expire o prazo asinado por Aznar. Feixoo xustifica as ampliacións Cando se fixo pública a resolución da Comisión Europea, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, aseverou que non coñecía a decisión e limitouse a sinalar que tanto PSOE como PP fixeron cadansúa ampliación, e "en ningunha das dúas ocasións saíu a concurso". Aliás, xustificounas polos acordos coa empresa para liberar de peaxe determinadas zonas, a do "goberno socialista para facer gratuíto o tramo Rande-Puxeiros e outra do PP para facer gratuíto o treito Fene-Ferrol". En todo caso, o Executivo español "terá que responder a ese expediente e motivar por que fixo isto a Administración central, tanto se estivera gobernando o PSOE como o PP". "A concesión non cumpre coa legalidade, é o que din as autoridades comunitarias, e, polo tanto, hai que poñerlle fin", incidiu a líder da oposición e voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, que fixo un chamamento a aproveitar a situación e acabar cunha "estafa" que supón un lastre para "a economía das familias, das empresas e tamén a recuperación económica nun momento de crise como o que vivimos". Asemade, subliñou que "a maior parte das autoestradas coetáneas da AP9 xa están libres de peaxes ou están a punto de caducar", polo que é tempo de escoitar as reclamacións da maioría da cidadanía, compartidas polo BNG. O vicevoceiro do Partido dos Socialistas da Galiza no Parlamento, Pablo Arangüena, asegurou que a ampliación "é un regalo de 25 anos de Aznar á concesionaria que Feixoo nunca cuestionou", sen mencionar a prórroga impulsada polo PSOE. Na resolución tamén se inclúe a Italia, que xa recibira un veredicto na súa contra por parte do Tribunal de Xustiza comunitario por ampliar a duración dunha concesión á empresa Società Autostrada Tirrenica p.A "sen iniciar un proceso de licitación", co cal tería infrinxido a Directiva 2004/18/CE sobre contratación pública. Dous anos despois, aínda non se tomaron medidas para executar o fallo, polo que advirte que ou o aplica axiña, ou levará o caso de novo perante o Tribunal de Xustiza da UE. |
NOS_4158 | A fronte nacionalista considera que a política forestal do PP "é unha auténtica ruína para os nosos montes e pon en risco a seguranza da cidadanía". Sete cidades galegas acollen concentracións esta tarde. | O BNG pide a "dimisión inmediata" do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández. Considera que a "destrución do Monte Pindo", así como os incendios que asolan nestas horas Negreira, Porto do Son e a Fonsagrada; son exemplos do fracasod a Xunta. "Tras anos demandando a catalogación do Monte Pindo como Parque Natural, o goberno galego negouse a asumir as demandas cidadás e agora podemos ver as consecuencias da falta de investimento e de protección dun espazo único que nin a Xunta nin a Administración central están a protexer", indican desde a Fronte nacionalista. Burla da Xunta O BNG, aliás, entende que só pode cualificarse de burla que tras un verán no que houbo centos de incendios, desde a Xunta se afirme que "o dispositivo funcionaba perfectamente". "A política curtopracista do PP é unha auténtica ruína para os nosos montes e pon en risco a seguranza da cidadanía. A loita contra o lume comeza no inverno e require unha planificación constante de ordenación dos espazos forestais e de desenvolvemento dunha política de prevención agora inexistente. Cómpre, especialmente, controlar as terras agrarias e aplicar unha política de reactivación da actividade socioeconómica neste ámbito". Lugar e hora das concentracións: Santiago de Compostela, 20:00h., Praza do Toural Vigo, 20:00h., diante do Museo Marco Ferrol, 20:00h., Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta A Coruña, 20:00h, no Obelisco Verín, 20:00h., diante do Concello Lugo, 19:30h., diante do Edificio Administrativo da Xunta Ourense, 19:30h., Diante da Subdelegación do Goberno |
NOS_11239 | Con motivo da celebración do solsticio de verán, o antropólogo e museólogo Felipe-Senén, redactou, para o semanario Sermos Galiza, unha listaxe con 13 lugares "onde sentir a aura do medo". Queres descubrilos? Deixamos aquí unha pequena mostra do recollido no Sermos en papel. | 1 - A illa de San Simón, de triste historia, cantada por Mendiño en lembranza da namorada que espera o amigo, namentres sobe o mar … Lazareto, campo de concentración na guerra civil. 2 - A casa do Demo de Anllóns, onde bailaban os mobles, cuspían do ceo e caían as pedras…para quedar deshabitada, reconstruída e casa de turismo rural hoxe. 3 - A torre de Caldaloba, Cospeito, das andanzas de Pardo de Cela. Lugar en que, en 1911, aconteceu un terrorífico caso de superstición, o ritual de esfolamento da faciana dun veciño. 4 - O Santuario do Corpiño en Lalín, santuario aos anxos bos, onde se venera os santos da demonoloxía, San Silvestre, San Gregorio…onde o exorcismo é o pan de cada día. 5 - San Andrés de Teixido, Cedeira, final dun camiño, ascese que fai de morto o que non fixo de vivo e será como reptil, purgando as súas faltas. 6 - O Sanatorio de Cesuras, obra feita para tuberculosos, seguindo a arquitectura Modernista de González del Villar, desmantelado, entre a sombra de sonoros eucaliptos. 7- O Puzo de Ana Manana , Ourense, onde no século XV os veciños desta ribeira do Miño asasinaron un bispo feudal... ... [Para coñecer o resto de "lugares malditos" e ler íntegra a colaboración, podes adquirir o Sermos Galiza 251 na loxa ou nos quiosques e puntos de venda habituais] |
NOS_21754 | Na noitiña deste sábado O Rosal inaugurou dúas xornadas consecutivas de lembranza e homenaxe ás vítimas do fascismo que terán continuidade até primeiros de setembro. | Os actos comezaron onte contra as 20 horas no lugar de Portocelo onde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña convidou a veciñanza da comarca a recordar a "varios compañeiros" da comarca asasinados nese enclave en 1936 "por defender a liberdade e a democracia". Hoxe, os actos continúan coa inauguración ás 12 horas dunha exposición que permanecerá aberta até o vindeiro día 5 de setembro nos baixos do Concello do Rosal, unha mostra que rememora os traballos de exhumación que o Instituto de Estudos Miñoranos realizou en 2009, no adro da igrexa de San Xián, e que fixo posíbel a recuperación de cinco corpos de dúas foxas comúns. San Xián Entre os identificados están Abilio Araújo Barbosa, Manuel Prudencio del Rosario 'Manuel de Lucinda', e Jesús 'O palero de Laureana', tres veciños de Gondomar asasinados en febreiro de 1937 e soterrados nunha foxa común en San Xián, no Rosal. Foron parte dun movemento amplo de transformación social A primeira das vítimas, natural de Coura, en Portugal, pai de cinco fillos e residente na Galiza desde moi novo, foi executada tras ser reclamada pola Garda Civil da localidade. O segundo deles, orixinario de Santarén, en Portugal, sacárono da súa casa na noite de 10 de febreiro e foi executado ese mesmo día. A identidade definitiva de Manuel ou Jesús 'O palero de Laureana' segue a ser un misterio, ao saberse do seu asasinato mo mesmo momento en que se recuperou o seu corpo. Ofrenda floral ás vítimas do franquismo no Rosal. (Foto: Santiago Baz Lomba). Outro dos enterrados en San Xián foi Joaquín Iglesias Portela, un ebanista da Ramallasosa, Nigrán, concelleiro en diversas corporacións republicanas e asasinado o 1 de setembro de 1936. Memoria Viva A iniciativa da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña conta co apoio e colaboración do Concello do Rosal. O Rosal dá voz á súa memoria máis viva "Estes actos fan parte do obxectivo do Goberno do Rosal de democratizar a vida municipal", declarou a Nós Diario Moncho leal, activista e concelleiro de participación Cidadá no municipio. Segundo explicou, O Rosal desenvolve o programa en marcha 'Memoria Viva' co obxectivo de salvagardar a memoria de diversas persoas da contorna, asasinadas, que mesmo chegaron a ocupar cargos de responsabilidade institucional e que sempre, desde todos sos eidos, "foron parte dun movemento amplo de transformación social". Moncho Leal foi un dos encargados de conducir o acto de onte en Portocelo canda ao historiador Carlos Méixome e a alcaldesa do Rosal, Alexandra Fernández, no que tamén participou a artista musical Lara Villaverde. Asistentes á homenaxe impulsada pola Comisión de Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña. (Foto: Santiago Baz Lomba). Manuel Noia Outra das persoas homenaxeadas nese encontro foi Manuel Noia Gil (A Guarda 1897, Oia 1936). Xastre de profesión e significado sindicalista nas filas da Confederación Nacional do Traballo (CNT), militante do Partido Galeguista e alcalde republicano da Guarda. Resultou un dos nomes de referencia da loita política e social na comarca do Baixo Miño. Foi torturado, mutilado e asasinado o 24 de agosto de 1936. Os cinco contan xa cun monumento no lugar no qwue foron asasinados. |
NOS_13772 | Decembro comeza con 625 novas persoas desempregadas no noso país a respecto do mes anterior. | O paro rexistrado de novembro sitúase en Galiza en 170.369 persoas, un aumento en 625 desempregadas a respecto do mes anterior. Un incremento que contrasta cos rexistros de novembro no Estado español, onde o paro descendeu en 1.836 persoas. A tendencia internanual, é dicir a rexistrada neste caso entre novembro de 2017 e novembro de 2018, indica que o desemprego descendeu en Galiza en 16.808 persoas, unha baixada de 11,9%. Porcentaxe inferior á rexistrada no Estado español nese m4smo período, que foi de 14,13%, dous puntos máis. E onde aumentou o paro no noso país en novembro? Principalmente en tres sectores: servizos (352 persoas desempregadas máis), agricultura e pesca (aumentou en 313) e construción (262). Afiliacións A respecto das afiliacións á Seguridade Social, o mes de novembro deixa unha caída de 3.327 afiliacións (-0,33%), mentres que no conxunto do Estado esa queda foi menor, de -0,25%. |
PRAZA_1027 | Cando chegaba a época de celo, cos primeiros raios de sol, aquí, nas zonas cálidas do país, ir pola rúa era coma un diálogo co mundo, sen mediación | Se algúns animais, e tamén os gregos, que non están tan lonxe, ofrecían anacos de carne ás mulleres para cortexalas, que podemos esperar dunha civilización en decadencia? Viaxes adrenalínicos en jets privados? Non, non, para as mortais, no mellor dos casos, hai detalles, detalles que chegan coa mesma férrea vontade de atopar unha cópula. Se algúns animais, e tamén os gregos, que non están tan lonxe, ofrecían anacos de carne ás mulleres para cortexalas, que podemos esperar dunha civilización en decadencia? M seguía xogando aos gregos, pero tamén era algo alexandrina, e como unha Hipatia, tras observar as constelacións do afastado ceo, adestraba as súas respiracións profundas na auga, moi viva, da piscina... Cando emerxía polas escaleiras metálicas moitos se interesaban no seu gusto pola natación: que vés, nadar? Gústache nadar, si? Un dos monitores achegouse un día, co ritmo que marca a etoloxía, tímido mais coa seguridade que dá, dende algún lugar do sistema límbico, toda a interiorización filoxenética. Arrancouse e soltou: toma, un gorro do equipo local, para que nades. Din os estudosos do tema, dende USA, que as variantes desta primeira fase romper o xeo dependen da imaxinación de cadaquén. El asentiuse a si mesmo cun par de movementos verticais do queixo, que ela repetiu mimeticamente. Non hai que facer que a xente se sinta mal e en realidade podería ter accedido a algún encontro, pero que opcións de resposta tiña para viabilizar tal intento con esa acometida? Ademais, suponse que o papel das femias, en xeral, coincide co das patricias romanas, que retiran, tímidas, a mirada. Ben, M sentíase un pouco desorientada nese patrón, que xa establece no primeiro paso unha dominación, xa sabedes, you just have to laugh. No cortexo non hai unha relación de igual a igual: un seduce, unha é seducida. Ah, non, din, ela seduce, isto é, móstrase dispoñible, suficientemente débil para ser atacada. Defenden os etólogos, neste punto, que nas outras especies as femias son explícitas e persistentes cando teñen gañas de sexo, mais nos humanos os factores culturais xogan en contra, na contra das mulleres, por iso de que había que manter o patrimonio ben atado. Así que, por cada tía que avanza, hai un tío que recúa: tes medo de min ou tes medo de ti mesmo?, querería preguntar M algunha vez. Que pasaría se ela contestase, sen máis: queres o meu número de teléfono? Podes chamarme esta noite. Observaba que os machos non soportaban saír da súa zona de confort, do seu papel dominante, aínda cando se mostran inofensivos: esas tácticas de facer rir... Non, definitivamente a M non lle gustaba regalar o seu cetro. Cando chegaba a época de celo, cos primeiros raios de sol, aquí, nas zonas cálidas do país, ir pola rúa era coma un diálogo co mundo, sen mediación, palpándoo tal cal: ese sorrisooo! (estou sorrindo?), que estilazooo! (un like), pero que moza tan molonaaa! (este parecía querer albiscar o espírito), ese é camiñar, e non o da garda civil!! (entenderedes outro día por que sorriu abertamente fronte a esta valoración), non eran nada ao lado daquel memorable: aí cabían dous! Ben, era como ter cheerleaders acompañando. Cando chegaba a época de celo, cos primeiros raios de sol, aquí, nas zonas cálidas do país, ir pola rúa era coma un diálogo co mundo, sen mediación Incluso cando estes machos só miran non hai titubeo na distribución de papeis: a súa é a posición de suxeito e a túa, de obxecto. M tiña retado cos seus ollos esas miradas reificantes, e cando o obxecto cobra vida, desafiante, asusta: devolvendo a mirada aos tribunais populares espontáneos vólvense eles patricias. Ben, minto, algúns véñense arriba e berran coma quen canta I call you from insiiiiiide my cell, facendo do inside un ouveo angustiado dende a cela do desexo clausurado. Nalgúns países estase valorando considerar acoso os piropos e cobrar multas. Aínda que vemos o estimulante que é, podería ser boa idea: o paro seguiría baixando en temporadas altas e o PIB acadaría as cotas máis altas en primavera. I'll be a rock'n'rolling bitch for you, parecía dicir un mozo esta estación. Como alimento sedutor, así se chama a dádiva que pretende a consumación sempre flotante, ofrecíalle caladas para fumar e mostraba, cara M, o mesmo interese que os fociños do seu gato cando cheiraba a comida. Un día o t-bird estoupou: mira, se es lesbiana dimo xa! Claro, neste xogo, there's no doubt, I'll be sex offensive to you!, nada é de balde. Era a prototípica análise do típico ego masculino: a verdade dende logo que non está aí fóra, pero o problema, de seguro que si. M só respondeu cun aceno de noxo e lixeira incomprensión. Estaba inventando algo así como o punk-zen, como cuspirche sen arquear a mirada. Moito a incomodaba ese movemento reflexo que mostra na heteronormatividade unha liña recta: mira, repetía ela, hai infinitos xeitos de estar fóra, niso precisamente consiste estar fóra.... Era a prototípica análise do típico ego masculino: a verdade dende logo que non está aí fóra, pero o problema, de seguro que si -Se non foras tan intelixente, serías basicamente perfecta, espetoulle. Ai... eses ecos... esas alegrías de vivir no deserto... |
NOS_54838 | Dionisio Pereira, Eliseu Mera, Montse Fajardo ou Carlos Gurriarán súmanse así á demanda impulsada polo colectivo de presas e presos políticos na ditadura. | Medio cento de historiadores e historiadoras de Galiza apoian o manifesto impulsado por ex presos políticos no franquismo para pedir que se lle retire a Manuel Fraga os títulos de Fillo Adoptivo que aínda mantén en diversos concellos galegos, como A Coruña ou Ferrol. Representantes do colectivo de presas e como Nicanor Acosta, Manuel Villares e Manuel Monge pediron que todos os partidos manifesten nas eleccións xerais e municipais o seu compromiso coa retirada da simboloxía franquista e da distinción de Fillo Adoptivo a Manuel Fraga. Dionisio Pereira, Eliseo Fernández, Montse Fajardo, Ricardo Gurriarán, Margarita Ledo, Carlos Velasco, Francisco Javier Redondo Abal, Carlos Méixome Quinteiro, Telmo Comesaña , Xosé Álvarez Castro, Carlos Babío, Beatriz Gómez Amigo ou Gustavo Luca de Tena son algúns nomes que figuran na lista de historiadores que apoian esta demanda. Unha trintena de ex presos políticos galegos durante a ditadura franquista promoveron a inicios de ano un manifesto para que se retire a Manuel Fraga Iribarne a distinción honorífica de Fillo Adoptivo do Concello da Coruña. Este título foi concedido pola corporación municipal coruñesa o 24 de decembro de 1968, en plena ditadura. "Despois de 50 anos, como persoas que sufrimos a represión franquista, queremos difundir unha biografía silenciadas de Fraga porque despois de 43 anos da morte do ditador Franco, asistimos a unha ofensiva das forzas da dereita e de ultradereita, todas con raíces franquistas, que poñen en perigo a democracia e as conquistas sociais", indican. Entre as persosas asinantes deste manifesto están Manuel Lourenzo, Rafael Pillado, Elvira Souto, Xosé Luis Méndez Ferrín, Celsa Díaz Cabanela, Francisco Rodríguez Sánchez, Manuel Peña Rey, Sary Alabau... Manuel Monge, un dos promotores, afirma que "consideramos que como servidor do franquismo -así foi recoñecido polo propio Fraga- e como ministro dunha ditadura criminal, Manuel Fraga non merece recoñecemento social, nin a distinción de Fillo adoptivo". |
PRAZA_16356 | ENTREVISTA Paula Cons debulla a historia da minaría galega do volframio e a súa relevancia na II Guerra Mundial no documental A batalla descoñecida. VÍDEO | Tráiler d'A batalla descoñecida | VÍDEO | Tráiler d'A batalla descoñecida Galicia tivo, nos anos 40, a súa febre do ouro. Só que era un ouro negro: o volframio, usado para a construción de armamento. Arredor del configurouse, nas poucas aldeas nas que podía extraerse este mineral, un auténtico Far West. Con homes con pico, pá e pistola. Con puros que se acendían con billetes de mil pesetas, -das de aquela-. A produtora e xornalista Paula Cons cóntao nun documental, A batalla descoñecida, no que debulla o enorme negocio armado polo réxime franquista arredor da exportación do volframio aos alemáns, no marco da súa política de conivencia cos nazis, que durou ata pouco antes de rematar a II Guerra Mundial. "Fronte á fame, a miseria e o máis férreo puritanismo, alí corría o diñeiro, o vicio, a delincuencia e a alegría salvaxe de vivir", di a directora deste filme. Mais, -aclara-, non se trataba de deixarse deslumbrar polo brillo do ouro. Pola riqueza efémera que trouxo para algúns. Porque a venda do volframio era unha das facianas da actitude do goberno franquista nestes anos, que non foi, fronte ao reiterado pola propaganda, a neutralidade. Senón a complicidade con Hitler. E iso trouxo graves consecuencias para a maioría da poboación. Había algún proxecto anterior que trataba de contar o que pasou co volframio e os nazis en Galicia na Segunda Guerra Mundial, coma o documental de Encarna Otero. Como se espertou o teu interese polo tema? Pois cando comecei a traballar en ficción, en realidade era unha xornalista facendo ficción e os temas que me interesaban eran os feitos reais descoñecidos. Atraíame pescudar nos motivos dese descoñecemento e nese caso o grande tema sen tocar na nosa ficción era o do volframio. E aí comecei xunto con Felipe Rodríguez e Noelia del Río a desenvolver a película Lobos Sucios. "O grande tema sen tocar na nosa ficción era o do volframio" De que xeito o filme de ficción Lobos sucios te levou, tamén, a este documental? Na película chegou un momento que as tramas e os personaxes comeron, loxicamente, o contexto histórico, político, e xa non quedaba moito oco para eles. Pero eu sentía que quería contar mellor esa historia e facelo do xeito máis amplo e ambicioso posible. Quedaba tantísimo por contar e cando rematei a película e comecei a ler e investigar decateime de que aínda sabía tan pouco sobre o tema... "Despois de Lobos Sucios, eu sentía que quería contar mellor esa historia e facelo do xeito máis amplo e ambicioso posible" Emilio Grandío e Javier Rodríguez debullaron o tema no libro War zone. La II Guerra Mundial en el noroeste de la Península Ibérica, e Eduardo Rolland en Galicia en guerra: espías, batallas, submarinos e wolframio: do desfile da Wehrmacht en Vigo á fuxida dos criminais nazis. Os dous están entre os entrevistados no teu documental. O obxectivo era, neste sentido, divulgar máis o que xa nos revelaran os historiadores? O traballo de investigación e de loita na trincheira fixérono eles, iso está claro, pero aínda así o audiovisual ten outro acceso ao público e quería narralo do xeito máis visual e ameno dentro do complexo do tema. Tamén é verdade que cada experto é especialista nunha parcela determinada e eu quería xuntalas todas. Quería a visión máis ampla posible e por iso xuntalos a todos. "O audiovisual ten outro acceso ao público e quería narralo do xeito máis visual e ameno dentro do complexo do tema" De todos os xeitos eu tiña tamén unha intencionalidade, case que unha hipótese a demostrar co documental, e era que aínda que o volframio enriquecera a moitos, e deixou ríos efémeros de diñeiro nalgunhas poboacións, as consecuencias da actitude do goberno franquista respecto ao tema foron moi graves, e provocaron o empobrecemento dunha grande parte da poboación: polo encarecemento de certos productos por parte dos británicos, e polo bloqueo de petróleo. E esa visión só a atopei nun dos libros. Entre as fontes atópanse, ademais de historiadores, outros expertos -como enxeñeiros de minas- e veciños das zonas nas que extraeu o volframio. Moitas veces, a montaxe mestura o que din uns e outros, -un comeza a contar algo e outro remata, case, a frase do anterior-. É como se quixeras construír un relato coral, plural, complexo, do que pasou, sen atender tanto ás achegas individuais. Era un pouco a idea? Como escolliches os entrevistados? Efectivamente, a idea é demostrar que en certos aspectos o que se conta é unha verdade incuestionable na que moitos están dacordo, á que moitos chegaron despois de moito investigar, que non é algo sen fundamento.Tratei de escoller os entrevistados de xeito que conseguise abranguer os máximos aspectos do tema: económicos, políticos, históricos, persoais, xornalísticos, novelísticos… Tamén hai material de arquivo: algunhas imaxes do NO-DO, animacións que parecen feitas a partir de fotos reais... E unha voz en off que conduce o relato da historia, ademais de imaxes das minas abandonadas, na actualidade. Que papel xogan no documental estes materiais? Tiveches problemas para atopalos? Como foi, en especial, a relación cos veciños? Eses materiais de novo xogan o papel de demostrar que o que estamos a contar é verdade, ocorreu, e ocorreu tal como estamos a contar. Por outra banda as imaxes das minas abandonadas son unha metáfora directa do propio abandono e agochamento do tema pola poboación e as institucións en xeral. "As imaxes das minas abandonadas son unha metáfora directa do propio abandono e agochamento do tema pola poboación e as institucións en xeral" Moito do material foi proporcionado polos propios expertos. Eles son a clave do documental, a pedra angular. Por exemplo para a relación cos veciños que facilitou un deles, Diego Casal. E á marxe disto, a relación cos veciños foi máxica porque eles converten en carne todo o contado, son historia viva. De feito pasounos unha cousa ben especial e emocionante cando, tras rematar unha das entrevistas no exterior das antigas instalacións mineiras, decateime que ese home non volvera estar alí desde que tiña 20 anos, e asistimos canda el ao seu reencontro. "Tras rematar unha das entrevistas no exterior das antigas instalacións mineiras, decateime que ese home non volvera estar alí desde que tiña 20 anos, e asistimos canda el ao seu reencontro" Sesenta bares, catro cines, puros que se acendían con billetes de mil pesetas... E o estraperlista co pico, a pa e a pistola. Todo un Galician Western. É a imaxe que proxectan os relatos dos expertos e, en especial, dos veciños. Supoño que o documental quixo salientar, en primeiro lugar, a magnitude do fenómeno: o impacto que tivo nas aldeas nas que se extraía o volframio, as cantidades astronómicas de diñeiro que pagaron alemáns e aliados. É así? En que sentido? Esa febre do ouro que se viviu, e que por exemplo non recollimos na película Lobos Sucios, é tan brutal que estou agora mesmo desenvolvendo unha serie de televisión sobre o tema, e tal como dis, en formato western. Aquilo foi unha suspensión temporal e moral absoluta do que estaba a acontecer non só en España senón a escasos quilómetros. Fronte á fame, á miseria e o máis férreo puritanismo, alí corría o diñeiro, o vicio, a delincuencia e a alegría salvaxe de vivir. "Fronte á fame, á miseria e o máis férreo puritanismo, alí corría o diñeiro, o vicio, a delincuencia e a alegría salvaxe de vivir" Mais, alén dos datos, o documental cuestiona, basicamente, o relato da "neutralidade" de Franco na Segunda Guerra Mundial. Lembrando, por exemplo, que en Hendaya Franco e Hitler non chegaron a acordo porque Franco pedía máis do que Hitler estaba disposto a dar. Como pode resumirse a colaboración franquista cos nazis? O franquismo, Franco en concreto, estaba en débeda con Hitler pola axuda recibida durante a Guerra Civil. Neste caso deixándolles extraer o volframio, tan importante para o armamento nazi, pero tamén enviándolle alimentos, enviando a División Azul, deixando que a espionaxe campase non só en Tánxer senón tamén en España, permitíndolles abastecer os seus submarinos nos nosos portos, ou arranxar as súas averías. E finalmente, unha vez rematada a guerra, o franquismo dilatou moitísimo a entrega dos nazis agochados en España ou mesmo os nacionalizou. "O franquismo, Franco en concreto, estaba en débeda con Hitler pola axuda recibida durante a Guerra Civil" O comezo da exportación de volframio -un material estratéxico para a construción de armamento- á Alemaña nazi comezou case por casualidade, porque un empresario, Bernhardt, conseguiu nada menos que entrevistarse con Hitler... no descanso dunha ópera. Como destes con esta historia? Para min ese é o verdadeiro descubremento do documental, a figura fundamental na nosa historia de Johannes Bernhardt, totalmente descoñecido. Eu creo que os nazis virían igualmente extraer volframio a España, Galicia e Portugal porque xa non podían sacalo de China e estes eran os únicos lugares onde había. Pero ese encontro entre Hitler e Bernhardt, que viaxaba de parte de Franco, na ópera, foi vital para facer máis forte o vínculo entre Hitler e Franco e sobre todo para a Guerra Civil. "Para min ese é o verdadeiro descubremento do documental, a figura fundamental na nosa historia de Johannes Bernhardt" Despois comezou a guerra comercial polo volframio español entre os nazis e os aliados. A grandes trazos, en que consistiu? De que xeito a fomentou o réxime franquista? De que xeito se canalizan as exportacións? Algúns dos entrevistados falan de fortunas familiares que se crearon nese tempo e que continúan hoxe. O franquismo decatouse rapidamente de que podía sacar moita tallada do comercio do volframio, moita máis da que estaba a conseguer e, como primeira medida, impuxo altas taxas, cada vez máis altas. Tanto á produción como á exportación. Pero a lotería tocoulle cando os aliados entraron no comercio só para evitar que o volframio chegase ás mans nazis e para tratar de arruinalos disparando os prezos. "A lotería tocoulle ao franquismo cando os aliados entraron no comercio só para evitar que o volframio chegase ás mans nazis" O que ocorría é que daquela as empresas tiñan que ser de capital español polo que tanto nazis como aliados precisaban homes de palla, testaferros, para montar aquí as súas empresas e pagar esas altísimas cantidades polo volframio ou incluso extraelo eles mesmos. Un deses testaferros foi o Conde de Argillo, consogro de Franco, tal como se pode comprobar nunhas escrituras. Emilio Grandío di nun momento que"Galicia puido converterse nunha nova Normandía". Por que? Este mesmo historiador explica que España non foi neutral na II Guerra Mundial, senón que ata o 44, é dicir, as 3/4 partes do tempo, tivo unha importante conivencia co nazismo. Que foi o que fixo cambiar esa actitude do réxime? Emilio di iso porque os norteamericanos sobre todo, Roosevelt e a súa opinión pública estaban fartos da actitude do réxime con Hitler e pedían man dura con España. E un dos plans era invadirnos. Tal cal. E España era consciente deste perigo, e foi ameazada directamente, pero nada cambiaba. A actitude cambiou case totalmente cando os aliados embargaron petrolíferamente a España, que é unha medida durísima. Dise que non voaron avións nesa época. Pero o verdadeiro corte só chegou cando tras o Desembarco de Normandia cortouse a comunicación terrestre a través de Francia con Alemaña. "Para a poboación en xeral, para o único que valeu foi para prolongar a fame" En xeral, que consecuencias tivo para a poboación esa política de apoio ao nazismo? No documental explícase que a exportación de alimentos a Alemaña foi unha das causas da fame. Que foi dos estraperlistas despois de acabar todo aquilo? Eu creo que tal como din os propios entrevistados, o diñeiro que rápido chega rápido marcha. E foi un diñeiro que salvo en escasos casos dilapidouse, como di unha historiadora, un xeito masculino de despilfarrar. Agás no caso de mulleres que invertiron en terras, en casas, en gando... E, para a poboación en xeral, para o único que valeu foi para prolongar a fame. "Para min foi chamativo e triste atopar o complicado que é acceder a certa documentación do noso pasado" Algo máis que queiras engadir? Para min tamén foi chamativo e triste atopar o complicado que é acceder a certa documentación do noso pasado, ben porque foi destruída, ben porque hai arquivos aínda non accesibles, como o de Defensa. Cando con simplemente con teclear wolfram e Spain na biblioteca dixital do Congreso de USA obtés multitude de documentos valiosísimos. E expresar o meu agradecemento tanto aos entrevistados pola súa enorme e desinteresada axuda coma ao equipazo que tiven, que conseguiron transformar un documental histórico e de investigación nun thriller político. |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.