ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
PRAZA_1157 | Breogán e COB Ourense enfróntase desde o vindeiro venres por unha praza na elite do baloncesto estatal, onde agarda o Obradoiro. Os dous conxuntos repiten ante a final da LEB Ouro o espírito fraternal e de deportividade que impulsaron no seu último partido na liga regular. | Hai xa máis de 14 anos, COB Ourense e Breogán disputaron o último derbi galego en ACB. Foi no mes de marzo de 2001 cando o conxunto lucense e o ourensán se enfrontaron no último encontro de rivalidade da máxima categoría do baloncesto estatal. Precisamente, estes dous mesmos equipos veranse as caras a partir do vindeiro venres na final da LEB Ouro ao mellor de cinco partidos. Un novo #derbidomiño do que sairá o club que acompañará o Obradoiro na elite do básquet a vindeira tempada. Dous representantes de Galicia case quince anos despois. COB e Breogán disputaron hai máis de 14 anos o último derbi galego en ACB Logo de que o COB arranxase a súa eliminatoria contra o Lleida, foi este pasado domingo cando o Breogán puxo o 3-1 na eliminatoria contra o Valladolid e colleu billete para unha final galega que arrancará o vindeiro venres 22 de maio no pazo Paco Paz da cidade das Burgas. Repetirase o domingo 24 no mesmo escenario e a serie viaxará a Lugo para disputar o terceiro partido o venres 29. No caso de ser necesario, o cuarto sería o domingo 31 tamén na capital lucense, mentres ante un hipotético empate a dous, o quinto e definitivo enfrontamento sería o martes 2 de xuño de volta en Ourense. Ourense e Breogán pagaron xa o canon da ACB, polo que as esixencias económicas serían menores ás doutros conxuntos Malia que a ACB semella un couto privado nos últimos anos -o Burgos perdeu nos despachos varios ascensos conseguidos na cancha-, o feito de que Breogán e COB, que xa militaron nesta categoría, teñan pagado xa o canon esixido parece facilitar as cousas. Terían que abonar, iso si, o denominado fondo de ascenso e descenso, así como a cantidade necesaria para actualizar o devandito canon. En total, e malia que non hai cifras oficiais, entre os 2 e 2,5 millóns dependendo do equipo que logre o ascenso. Os atrancos económicos, xa que logo, serían menores para os conxuntos galegos, aínda que exixentes, sobre todo nestas épocas de crise actuais. Sexa como for, o primeiro é na cancha. O último derbi entre estes dous equipos foi o pasado 21 de marzo en Ourense, con vitoria do Breogán. Fora un derbi exemplar. As contas de Twitter de ambos os dous equipos botaron fume durante a semana previa a este partido histórico. E non botaron fume para quentar o ambiente ou excederse coas súas palabras, senón para usar a retranca máis galega e o saber estar para promover un enfrontamento en harmonía. Ambos os dous clubs manteñen o impulso á deportividade e por un derbi fraternal nas súas redes sociais Responderon os clubs e responderon as afeccións, con actos de irmandade entre as peñas que incluíron partidos de baloncesto no que os xogadores dos equipos cambiaron de rol. Da cancha á bancada para animar aos seus. Aos seus que desta vez non estaban berrando nas bancadas, senón sentíndose xogadores por un día. "Con ter contentas ás afeccións e que o derbi sexa a festa que debe ser, creo que o Breogán e máis nós nos damos por satisfeitos", dicía o COB Ourense na súa rede social poucas horas antes do partido deste sábado, que comezou co himno galego. "Boas noites dende Lucus Augusti. Aquí tamén soñaremos co #derbidomiño e con repetilo moi pronto en ACB", desexoulle o equipo lucense ao ourensán na véspera do enfrontamento. Un exemplo de convivencia e de derbi que se repetiu este domingo. "Xa temos rival, serán os nosos amigos do Breogán, ¡Noraboa! #ODerbiDoMiño xa é unha final!", dicía o COB desde a súa conta de Twitter. "Boas COB! Listos para dúas semanas inesquecibles de basquet no Miño? Vivamos algo histórico!!", respondía o equipo lucense. Case ao tempo, o Obradoiro daba os parabéns aos dous clubs. "Sorte a ambos!", díxolles. Todo no Día das Letras Galegas. |
NOS_8139 | A Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego denuncia con documentos gráficos novas agresións ao importante xacemento castrexo situado no monte de Santa Trega, que hai quen usa como lugar en que xantar ou merendar. O presidente da entidade, Carlos Herique Fernández, sinala a Sermos Galiza a necesidade de dotar estes valiosos elementos de maiores medidas de protección. | Varias fotografías tomadas pola veciñanza da Guarda durante o 11 e 12 de agosto e difundidas pola Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galega amosan novas agresións sobre o importante xacemento castrexo de Santa Trega. A pasada fin de semana celebrouse no concello da Guarda a Festa do Monte, un evento de tradición popular que reúne centos de participantes de toda a Galiza. Varias veciñas e veciños do concello puxéronse en contacto coa Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego para difundir e denunciar as actuacións dalgunhas persoas participantes que supuxeron novas agresións contra o xacemento castrexo. Carlos Herique Fernández, presidente desta asociación, incide en declaracións a Sermos Galiza en que a romaría popular debe respectar o patrimonio así como dotarse dun maior servizo de protección. Nese sentido, lamenta que o único elemento disuasorio sobre o perímetro do castro fose unha cinta policial, "o cal se viu claramente insuficiente". Carlos Henrique lamenta que o único elemento disuasorio sobre o perímetro do castro fose unha cinta policial, "o cal se viu claramente insuficiente" "Notamos que desde que publicamos agresións como estas nas nosas redes os operativos están mais atentos", sinala Carlos Henrique, quen esixe que as institucións públicas tomen medidas e cumpran cos puntos que a este respecto recolle a Lei de Patrimonio Cultural e a Lei de Espectáculos Públicos. Outras agresións recorrentes ao patrimonio durante o verán son, segundo sinalan desde a asociación, algúns dos rallies que se realizan na Galiza. Varios deles transcorren ao carón de elementos valiosos do patrimonio. En concreto, Carlos Henrique sinala o de Ourense e o de Lalín, por teren partes do traxecto moi próximas a antigos cruceiros. "Non é difícil que un coche teña un fallo e destrúa un destes cruceiros", alerta. De feito, veñen de restaurar unha destas cruces de pedra no concello de Rianxo após resultar danada por mor dun vehículo que saíu da estrada. Outras agresións recorrentes ao patrimonio durante o verán son, segundo sinalan desde a asociación, algúns dos rallies que se realizan na Galiza A este respecto, Carlos Henrique tamén sinala o caso acontecido o pasado verán no concello de Melide no marco das verbenas das festas, cando se pousou o escenario da orquestra sobre a grada do cruceiro máis antigo da Galiza. Este ano a Xunta, en base ás protestas de entidades como Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, vai protexer este cruceiro de Melide, sinala Carlos Henrique, mediante a colocación dun valado permanente, o cal non deixa de ser "rechamante" para o presidente da asociación, xa que "é triste que un elemento de tantos anos de historia teña que ser case amurallado na actualidade a causa de que a sociedade sexa menos coidadosa que antes". A GUARDANa Festa do Monte de Santa Trega 2019, os romeiros usan as casas castrexas como se foran vulgares valados de pedra sen valor histórico@pgsarria @Farodevigo @arquitectosCOAG @Lixabier @limiator @alorenzo64 #SantaTrega @GxDRadioGalega #AGuarda @ELPAISGalicia @vozvigo pic.twitter.com/V6fU5mIkz6— AsocPatrimonioGalego (@apatrigal) August 11, 2019 |
NOS_15232 | A Xunta estabelecerá un novo sistema de control da capacidade na hostalaría a principios de setembro. A idea é atender máis á responsabilidade que demostre o empresariado que ás condicións epidemiolóxicas por concellos. | O Goberno galego prepara unha alternativa de control da capacidade na hostalaría mentres dure a pandemia após atoparse co rexeitamento do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) á exixencia do certificado Covid. O obxectivo da Xunta é ter as novas pautas en funcionamento a principios de setembro, tal e como transcendeu esta segunda feira tras un debate entre representantes do Executivo do país e do sector. En todo caso, vaise estudar tamén a posibilidade de que as barras dos bares volvan ter uso. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, concretou que a ferramenta quere deterse agora nas medidas que poña en marcha cada estabelecemento en vez de atender só á incidencia do coronavirus no municipio no que estea situado. Interrogado sobre a nova metodoloxía de control, Rueda aclarou que se trata de fornecer un sistema que non dependa "das cifras sanitarias" senón do "cumprimento" por parte de cada hostaleira para poder ter unha ou outra capacidade de atender á clientela. Así, o representante da Xunta garantiu que se procuran "criterios comúns" sobre as medidas restritivas, como as distancias de seguridade, o uso dos xeles hidroalcohólicos ou os sistemas de ventilación, como os medidores CO2, para determinar en que nivel, dos tres que haberá -baixo, medio, alto- poderá estar cada negocio. Premio para os locais con máis garantías sanitarias? Desta forma, o bar, mesón ou restaurante poderá variar de nivel en función de que asuma máis medidas de seguridade desde o punto de vista sanitario. "Os que ofrezan máis garantías", resumiu ao respecto o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que tamén participa das conversas. A intención é que tanto o empresariado como as e os expertos do comité clínico poidan estudar o que se puxo sobre a mesa antes de tomar unha decisión definitiva ao respecto. Unha das novidades que pode espertar un maior interese é a de retomar o emprego das barras dos locais, algo que tería saído das e dos empresarios. "Imos debater, nun días esperamos chegar a acordos", comentou ao respecto García Comesaña. Pola súa banda o presidente da Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia, Cheché Real, defendeu a utilidade do certificado Covid porque, ao seu parecer, era "a mellor medida nunha situación excepcional". Pola súa banda, o vicepresidente de Hostalería Federada Galega Hosfega), Sergio Fernández, pediu "diálogo" e recriminou que non se fixese chegar esta proposta "a todo o sector", despois de que esta entidade non fose convocada. "Cando a coñezamos con detalle, valorarémola", resumiu. |
NOS_39178 | Sindicatos advirten do "déficit" nos centros penitenciarios para atender problemas de saúde mental, que supoñen 40% dos ingresos nas enfermarías. Nas prisións da Galiza hai 18 médicos dun total de 31 prazas. | Máis de 40% dos ingresos nas enfermarías dos centros penais son por enfermidade mental, un dato que trasladou esta segunda feira o sindicato Acaip-UXT para o conxunto do Estado español pero que, asegura, é "extrapolábel" ao caso concreto da Galiza. De feito, nun comunicado, o sindicato maioritario en prisións alerta do déficit de persoal sanitario nos centros penais, algo que pode acabar sendo "contraproducente" para a sanidade en xeral, xa que suporá a saída máis habitual de internos aos centros hospitalarios. Este 10 de outubro, con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, Acaip quixo pór o acento no "grave problema que as patoloxías psiquiátricas supoñen nos centros penais". Segundo os últimos rexistros, no ano 2020 e para o conxunto do Estado, 7.432 internos e internas causaron alta nas enfermarías penais por patoloxías psiquiátricas, isto é, 41,6% do total. Ricardo Fandiño, psicólogo clínico: "Cómpre unha intervención comunitaria na saúde mental de nenos e adolescentes" Neste senso, o sindicato advirte de que a enfermidade mental en prisión é un dos "graves problemas aos que se enfronta a institución", que presenta un déficit de médicos que no mes de setembro alcanzou 61% a nivel estatal; 58% no caso galego, unha cifra que "en próximos meses subirá polas xubilacións" que se van producir nas prisións galegas. Así, a central sindical subliñou que "é imposíbel dispensar unha atención axeitada, detectar problemas coa medicación e mesmo a prevención de brotes que deriven en problemas de réxime e agresións a outros reclusos ou traballadores". Nas prisións galegas hai 18 médicos para 31 prazas Segundo os datos achegados polo sindicato, o centro penal de Teixeiro, que debería contar con nove médicos, ten sete prazas vacantes, mentres que o da Lama conta con cinco prazas sen cubrir dos nove médicos que ten asignados. No caso de Bonxe, son cinco os médicos que lle corresponden, mais hai tres vacantes; en Monterroso, están a 50% —dous ocos—, e en Ourense falta un dos catro médicos. 30%, a tratamento En xeral, e con base nestes mesmos datos, 30% da poboación recluída está actualmente en tratamento con medicación psiquiátrica e máis de 20% tentou dalgunha forma quitarse a vida. De feito, a taxa de suicidio en prisión é oito veces máis alta que a da poboación xeral, sendo a enfermidade mental a causa principal que hai detrás de moitas destas mortes. O sistema penal conta unicamente con dous hospitais psiquiátricos, ningún na Galiza, dedicados a cumprir as medidas de seguridade privativas de liberdade impostas xudicialmente, de maneira que non actúan como hospitais de referencia para a atención estritamente falando, polo que se realiza nas enfermarías e módulos dos centros penais, que non dispoñen de medios nunha contorna na que 5% da poboación reclusa son enfermos mentais graves e crónicos. Así as cousas, Acaip conclúe que a saúde mental "é unha das materias pendentes da sociedade, que en prisión se ve potenciada polas especiais circunstancias que se derivan de vivir nunha contorna pechada e as propias características das persoas privadas de liberdade, articulándose como un factor estresante e un posíbel percutor dunha enfermidade mental latente". "Polo que a prevención, detección e tratamento é vital para evitar autolesións e incidentes reximentais. Co déficit da sanidade penal é imposíbel cubrir con garantías esta necesidade", avisan os funcionarios de prisións, que apuntan que a Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do sistema de saúde na súa disposición adicional sexta, estabelece que as comunidades autónomas, no prazo de 18 de meses, debían facerse cargo das transferencias sanitarias de prisións. Con todo, 19 anos despois só Catalunya, Euskadi e Navarra asumiron estas competencias. |
NOS_53252 | Antón Gómez-Reino asegura que a Xunta ten que "anular os centos de anuncios que se están producindo estes días, e que teñen como único obxecto a compra-venda irresponsábel de mascotas para sortear as medidas decretadas polo estado de alama". | O portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, reclamou esta quinta feira á Xunta unha "acción decida" en favor do sector veterinario e do benestar animal, que inclúa accións específicas para "impedir a venda irregular de animais como forma de salvoconducto para vulnerar o confinamento social". "A Xunta ten a obriga de anular os centos de anuncios que se están producindo estes días, e que teñen como único obxecto a compra-venda irresponsábel de mascotas para sortear as medidas decretadas polo estado de alama", detallou. A coalición tamén solicitou ao Goberno galego que poña en marcha varias medidas destinadas a apoiar ao sector, entre as que figuran a "implementación de liñas de axuda específicas para que as clínicas e as profesionais autónomas poidan paliar as perdas económicas derivadas da crise sanitaria" e "adquirir material especializado e de protección". "O sector do benestar animal abrangue desde as entidades sen ánimo de lucro que xestionan refuxios, e que traballan coa fórmula das casas de acollida e co voluntariado, até as clínicas veterinarias que realizan un labor importantísimo en materia de sanidade e saúde animal e, por extensión, de saúde pública", lembrou Gómez-Reino. "Son persoas anónimas que continúan a traballar para alimentar animais, para xestionar colonias de gatos ferais, rescatando ou mantendo os centros de acollida, coidando dos animais enfermos e atendendo urxencias. E non temos constancia de que a Xunta contactara cos colexios de veterinarias e veterinarios nin con ONG algunha para preguntarlles polas necesidades neste contexto de confinamento social", engadiu. Promover as adopcións Galicia en Común-Anova Mareas propón aumentar o orzamento para apoiar aos concellos e as entidades protectoras "desde os 125.000 euros previstos para 2020 até os 2 millóns de euros en axudas directas para financiar o funcionamento dos centros de acollida e a adquisición de materiais, alimentación e mellora da eficiencia enerxética". Desta maneira, a coalición pide facilitar as adopcións co subsidio das taxas unha vez superada a crise sanitaria e implementar unha estratexia galega contra o abandono para previr novos casos. Así mesmo, apuntan a unha campaña a través dos medios públicos da CRTVG sobre o bo trato animal, que promova "conductas positivas" como o acollemento, a adopción e a participación das entidades protectoras na sociedade galega. |
NOS_29869 | As dúas cidades aproveitan a recuperación de espazos para a investigación e divulgación do patrimonio arqueolóxico. Lugo presenta o Museo Interactivo da Historia de Lugo para entender a evolución histórica da cidade e converterase ademais no espazo da arte contemporánea lucense. Ourense recupera espazos co seu Centro de Interpretación Arqueolóxico-Termal. | Os espazos expositivos e de interpretación reinvéntanse. Agora xa non consisten en "gardar" elementos históricos senón de que colaboren en que o pasado conviva co presente e co futuro. Lugo e Ourense entenderon, hai uns anos, que un dos xeitos de reactivar o turismo cultural pasaba por dotar ás cidades de lugares propios onde ilustrar a liña do tempo municipal. Despois de sete anos, no caso de Ourense, e de catro, no caso de Lugo, coincidiron estes días inauguracións do Museo Interactivo da Historia, na cidade das murallas, e o Centro de Interpretación Arqueolóxico-Termal, na capital das Burgas. Arte contemporánea e historia en Lugo O Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) é un proxecto innovador. Os arquitectos Nieto-Sobejano crearon un parque-museo de 11.300 metros cadrados na zona verde de Frigsa. No seu interior un conxunto de patios circulares afundidos e edificios formados por cilindros de máis de 8 metros de altura. En total, a superficie construída é de 4.035 metros cadrados distribuídos en distintas dependencias: a sala da exposición permanente sobre a historia da cidade ocupa 300 metros cadrados, pero o museo contará ademais con outra sala para exposicións temporais de 242 metros cadrados, salón de actos, biblioteca, cafetaría e tenda. O edificio confúndese coa paisaxe e integrase no entorno. O MIHL comezará a súa andadura cunha exposición de arte contemporánea que se inaugurará o vindeiro 29 de novembro con obras cedidas polo CGAC e creacións chegadas dende Nova York de artistas como Paco Leiro e Murado. Despois de sete anos, no caso de Ourense, e de catro, no caso de Lugo, coincidiron estes días ambas inauguracións museográficas nesas cidades. Ourense termal Sete anos despois do seu inicio inaugurouse en Ourense o Centro de Interpretación Arqueolóxico-Termal, dentro do entorno BIC "As Burgas". O proxecto aproveitou a recuperación dun grande espazo verde de seis mil metros cadrados no seu mesmo centro histórico, un atractivo turístico máis que pretende reactivar o comercio na zona. Situado tras as propias Burgas, o proxecto de musealización é obra dos arquitectos Manuel Jorreto, Pablo Falcón, e os arqueólogos, Celso Rodríguez e José María Eguileta. O complexo dispón de espazos nos que se distribúen as diferentes áreas temáticas. Un total de cinco salas falan da "Auga, paisaxe e territorio", "Balnearios salutiferos. Auga mineiro medicinal e relixión", "Termas, auga, lecer e sociedade", "Abandono e recuperación. Uso desde a Idade Media até a actualidade", ademais de unha de lectura e dúas para audiovisuais. No exterior quedarán os restos arqueolóxicos que se atoparon nestes anos de excavacións. Imaxe: Roberto Regatos |
PRAZA_20678 | ENTREVISTA | Falamos con Chicho, un dos integrantes da banda compostelá, que este sábado actuará na praia coruñesa, xusto antes de Iván Ferreiro e The Jesus & Mary Chain. | O trap está de moda, tamén en Galicia. Os composteláns BoyankA KostovA convertéronse o ano pasado na primeira formación de trap en galego. E o seu éxito está a ser innegable: decenas de concertos (Vigo, Lugo, Ourense, O Grove, Escairón, Chantada, unha chea deles en Santiago, mesmo en Salamanca ou Viana do Castelo...) e media ducia de temas e videoclips que suman milleiros de visualizacións en youtube. Faltáballes tocar na Coruña e o momento chegará este sábado no marco do Festival Noroeste. Ás 21 horas, na praia de Riazor, BoyankA KostovA actuarán xusto antes de Iván Ferreiro e The Jesus & Mary Chain. BoyankA KostovA (nome dunha levantadora de pesa búlgara) está formado por Cibrán (Saibran Yiyi) e Chicho (O Chicho Do Funk), co que falamos. Tanto Cibrán coma ti estivérades noutros grupos. Como chegades a formar este proxecto? Eu, antes de coñecer a Cibrán, tocaba xa co seu irmán. Un día xuntámonos nós os tres e máis xente e formamos unha serie de grupos (Frederick, Estupefazebras). Cando estes grupos foron desfacéndose Cibrán e eu decidimos seguir adiante e montamos Boyanka, en abril do ano pasado. "Ás veces aparecemos como 'flow costumista', porque falamos das cousas dos vellos, das leiras..., pero sen ese punto de autoburla que é bastante común noutro tipo de grupos, que falan do rural e se rin del" Como xorde o nome? O nome vén dunha noite na que eu andaba facendo zapping pola televisión e puxen Teledeporte e alí estaba Boyanka Kostova. Pareceume un nome incrible para un grupo, sobre todo para un grupo de trap, e sobre todo sendo o nome dunha mullerona como é ela. Fíxonos gracia e quedou así. Como definides o voso estilo? O noso estilo é trap, pero o trap non deixa de ser unha mestura de rap, de música electrónica. Tratamos temas da actualidade, da nosa actualidade, do que nós vivimos todos os días. Ás veces aparecemos como 'flow costumista', porque falamos das cousas dos vellos, das leiras..., pero sen ese punto de autoburla que é bastante común noutro tipo de grupos, que falan do rural e se rin del. Nós falamos diso porque temos avós e teñen leiras, nós somos de pueblo e queremos que se saiba. Aparecedes destacados como 'a primeira banda de trap en galego'. Non sei se sodes aínda os únicos ou se coñecedes algún máis... Hai algunha xente que fixo algunha canción de trap en galego, pero de forma esporádica, non se dedican realmente á música. "Nós facemos trap porque nos gusta esta música, pero non imos quedar aí: temos temas de reggaeton e temos temas de rap clásico" En todo caso, como chegades ao trap? Como fostes definindo o voso estilo? No primeiro grupo que montamos Cibrán facíamos realmente o rap con banda de toda a vida, un pouco como o que facía Kase.O coa súa banda de jazz. Pero despois no seguinte proxecto que tivemos xa comezamos a experimentar co trap. Nós facemos trap porque nos gusta esta música, pero non imos quedar aí: temos temas de reggaeton e temos temas de rap clásico. Pero no trap sentímonos cómodos e a verdade é que é un estilo que funciona e que está pegando forte agora mesmo. "Nós tamén cantamos sobre eses temas, pero tamén tentamos cantar cousas que nos representan. Nós non somos uns ultranarcos nin xente que se vai pelexando por aí" Sobre o trap dinse moitas cousas, entre elas que as súas letras son machistas, violentas, que falan moito de drogas... Que opinades destas críticas? É certo que as letras das cancións de trap polo xeral tratan temas de drogas, de conflito e demais. Que esa sexa a norma, non quere dicir que nós o fagamos. Nós tamén cantamos sobre eses temas, pero tamén tentamos cantar cousas que nos representan. Nós non somos uns ultranarcos nin xente que se vai pelexando por aí con outros. "De momento seguiremos con este mesmo método de traballo: sacar cancións, gravarlles videoclip e que a xente as escoite libremente en youtube" Tedes varias cancións no voso bandcamp e en youtube. Tedes en mente gravar un disco, un ep...? As cancións que temos subidas son as que teñen videoclip e de momento seguiremos con este mesmo método de traballo: sacar cancións, gravarlles videoclip e que a xente as escoite libremente en youtube. E despois pode que haxa disco, ou pode que non; iso dependerá do que nós nese momento necesitemos ou queiramos. Pero de momento estamos comodísimos con este formato. Ides tocar ás nove (aínda de día), nun escenario grande, nun momento no que o publico aínda está chegando ou está frío. Como o ides quentar? Si, iso é certo. Pero este ano levamos moitos concertos e o único sitio que nos queda por ir é A Coruña, e sabemos que hai un sector bastante grande de xente na cidade que está esperando este concerto con bastante ganas. É certo que tocamos ao principio, pero é o noso traballo: temos que animar a xente e non creo que nos vaia tremer o pulso. "Moitos din que a xente que fai trap non sabe de música, que fai calquera cousa, pero todo isto está pasando por nós curramos moito todos os días, moitas horas" Estades, entón, satisfeitos con como está resultando este ano. A que credes que se debe o voso éxito? Si, estamos tendo éxito, moitos bolos e ademais tocamos con xente moi importante como Pedro LaDroga, El Coletas..., que é a música que eu escoito na casa. Así que para min todo isto é un honor. Creo que a xente queda encantada dos nosos concertos. Moitos din que a xente que fai trap non sabe de música, que fai calquera cousa, pero todo isto está pasando por nós curramos moito todos os días, moitas horas. E isto vese no resultado final. |
NOS_9266 | Portugal e Asturias traballan xa en alternativas para as súas centrais de carbón, mentres Endesa segue sen desvelar os seus plans para a térmica das Pontes. | Unha central experimental para a produción de hidróxeno. Esa é a solución na que apostaron en Portugal como alternativa ao feche dunha das súas instalacións de produción de enerxía a partir de carbón. En Asturias, o Goberno traballa en solucións encamiñadas á reactivación do sector industrial coa implicación dos empresarios e das compañías titulares das instalacións. En Escocia, Talgo levantará unha factoría nos terreos da central de Longannet co apoio das institucións locais. Mentres, na Galiza, Endesa adianta o feche da central das Pontes sen aclarar cal vai ser o futuro da factoría e dos centos de familias que dependen da súa actividade. En Cerceda, Naturgy xa avanzou a súa intención de crear unha pranta experimental de gas renovábel e un parque eólico onde agora se levanta a central térmica de Meirama. O Goberno de Feixoo, ao contrario que os seus homólogos de Portugal, Escocia e Asturias, agarda unha solución de Madrid incapaz de artellar propostas que revirtan a grave crise industrial que está a padecer a Galiza. A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube. |
PRAZA_12731 | Os conservadores atribúen a reforma legal de Rajoy a que os medios público estatais estaban "bloqueados", o PSdeG ve na decisión un "tic autoritario" da dereita e o BNG teme que a CRTVG siga o mesmo camiño | "O único que expresei é que a actual dirección de TVE é a que quere Rubalcaba". Despois de que, durante varias semanas, o presidente da Xunta fose situado por múltiples voces como un dos dirixentes do PP que máis insistente se amosaba ante a dirección estatal do seu partido para recuperar o control dos medios públicos estatais Alberto Núñez Feijóo recoñecía deste xeito, nunha entrevista en El País, a súa satisfacción polo proxecto legal aprobado no Consello de Ministros do pasado día 20. A contrarreforma de RTVE satisfai a un PPdeG no que xa se botan contas de cara ás eleccións autonómicas e que este luns amosou publicamente o seu apoio á medida, que lle permite aos conservadores nomear a quen consideren oportuno para dirixir o ente sen contar con ninguén máis. A axenda mediática fixo que o primeiro dirixente do PPdeG en defender o proxecto fose o seu voceiro parlamentario, Pedro Puy, quen, coherente co seu habitual estilo, realizou esa defensa dun xeito sensiblemente máis ponderado ao do presidente. "Non se pode permanecer impasible ante o bloqueo permanente", argumentou o deputado case á mesma hora á que, dende Madrid, Dolores de Cospedal culpaba ao PSOE da imposibilidade de acadar un acordo para a dirección de Radio Televisión Española. Segundo Puy, "segue habendo posibilidades" de que o novo titular dos medios públicos de comunicación sexa unha persoa "de consenso" e, en calquera caso, coida que o gabinete de Rajoy se está a limitar a facer "o mesmo que o anterior Goberno" de José Luis Rodríguez Zapatero, que estableceu que a maioría absoluta sería suficiente para elixir o primeiro consello de administración da Corporación RTVE. Así e todo, ademais do feito de converter en norma o que era unha excepción, o actual panorama difire do anterior nunha cuestión que non é menor: Zapatero nunca gobernou con maioría absoluta. Feijóo considerou que a actual dirección de RTVE "é a que quere Rubalcaba" Con todo, Pedro Puy esfórzase en afastar o modelo de relación entre a Xunta e a CRTVG do que acontecerá de agora en diante en Televisión Española e Radio Nacional. "O modelo polo que aposta o PPdeG está moi claro, está na lei dos medios de comunicación públicos de Galicia" e "varía con diferenza ao que se decidiu nas Cortes", subliña. Neste sentido, o popular lembra que a reforma dos medios galegos, pactada por populares e socialistas a finais de 2011, consta dun esquema "con dúas maiorías" para elixir o consello de administración e a persoa titular da dirección xeral. Segundo esa norma, a designación tense que realizar por acordo de dous terzos do Parlamento -50 deputados- e, se non hai acordo, abondan tres quintos -45-, polo que, coa actual composición, en todo caso require o acordo do PP con outro grupo. "En Galicia xa se ía vendo que o modelo da televisión estatal tiña algún problema", conclúe. Contrariedade en PSdeG e BNG Pero a interpretación de Puy non é compartida pola oposición parlamentaria galega e PSdeG e BNG manifestan a súa preocupación, como antes fixera o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a representación do cadro de persoal de RTVE. Para o socialista Abel Losada non hai motivo técnico ningún na reforma. Trátase simplemente "dun ataque frontal á independencia de RTVE" que, na súa opinión, "demostra algo que xa sabíamos, que a dereita tende a confundir maioría absoluta con poder absoluto" aínda que debera "saber que non é o mesmo". "Tamén é certo que esta diferenza precisa unha certa reflexión" e "estar convencidos durante décadas de que un está lonxe do poder absoluto ou autoritario". O PP non se atopa nesta posición e por iso, di, "amosa un tic autoritario que empeora" os medios públicos e "a situación dos cidadáns" á hora de recibir información. Losada ve na reforma de RTVE un "tic autoritario" do PP que "ataca frontalmente a independencia" dos medios públicos Nesta liña, o BNG censura tamén o retorno ao control gobernamental de RTVE e teme ademais que as canles estatais non sexan as últimas afectadas. "Os cambios na lexislación a nivel de Estado" son "moi graves" para a voceira nacionalista na Cámara, Ana Pontón, quen ve "confirmadas as denuncias que vén facendo o BNG" a respecto a reforma dos medios públicos galegos, á que lle atribúe "máis control" por parte do Executivo e unha apertura "á privatización". Mentres, di, na CRTVG continúa a "manipulación e represión" denunciada o pasado sábado durnate a manifestación convocada en Santiago polo Comité Interempresas do ente galego, unhas protestas que, cando menos, di, "merecerían unha aclaración" por parte da Xunta. |
PRAZA_2094 | A Asociación Galega de Apicultores leva case dous meses agardando pola resposta de Medio Rural á súa proposta de reunión e de medidas urxentes que apoian varios municipios, desesperados pola expansión da velutina, presente en máis de 125 concellos de Galicia. "Os medios son escasos", din | "A situación empeora a cada día mentres seguimos esperando unha xuntanza para deitar luz sobre a problemática, coordinar unha resposta e levar a cabo medidas urxentes". Xesús Asorey, secretario técnico de AGA (Asociación Galega de Apicultores) e a voz do seu colectivo pero expresa tamén a "desesperación" de ducias de concellos onde a praga da avespa asiática segue a espallarse sen remedio, atacada con remedios caseiros pola cidadanía e causando importantes problemas no sector apícola e froiteiro, nos traballos forestais, así como inseguridade cidadá. Apicultores e concellos agardan a reacción da Xunta mentres a praga da velutina alcanza xa máis de 125 concellos en Galicia Son xa 125 concellos galegos, segundo os últimos datos da Consellería de Medio Rural, os afectados pola avespa velutina coa presenza de niños que poden alcanzar cadanseus 15.000 exemplares. O Baixo Miño, a Mariña, o Ortegal e as zonas da Coruña e Ferrol son as máis afectadas por unha nespra que xa non só coloniza a costa, senón que se vai introducindo no interior de Galicia. "E son moitos máis niños e moitos máis municipios afectados dos que se din oficialmente porque moitos dos enxames son imposibles de ver ou localizar", aclara Asorey, que destaca que xa se atopan enxames a máis de 100 quilómetros do mar. Polo de agora, a AGA elaborou un documento hai dous meses que foi enviado aos 93 concellos onde se detectara a avespa asiática e na que se reclamaban medidas urxentes á Xunta. A Consellería de Medio Rural sabe xa destas peticións e desde o 28 de xullo sabe tamén da solicitude de reunión dos apicultores, aos que se unirían representantes dos concellos máis afectados. Pero segue sen haber resposta. "Seguimos sen saber nada; primeiro era polas vacacións, despois polos lumes, logo polo leite...", quéixase Asorey, que lembra que a AGA deulle de prazo ata este martes 22 de setembro ao Goberno galego para que acepte unha reunión inmediata. Medio Rural leva case dous meses sen contestar á petición de xuntanza dos apicultores que agora apoian varios concellos afectados De non recibir resposta, acudirán a Compostela a manifestarse diante da Administración, a quen entregarán o devandito documento. E non será só o sector abelleiro o que acusa, senón todos aqueles afectados, incluídos tamén responsables dos municipios, que están "desesperados" ante un problema que xa é "de seguridade cidadá". A praga é tal que os niños aparecen en lugares case inalcanzables, pero tamén ao pé das casas ou en colexios. Hai poucas semanas, nunha xuntanza en San Sadurniño á que acudiron representantes de máis de vinte concellos, as críticas á Xunta foron constantes. "A inacción é total, hai unha tremenda falta de medios e de coordinacións. Non hai iniciativa por parte da Administración para atacar este problema", insisten desde a AGA, que espera a confirmar nesta semana cantos dos concellos afectados aprobaron a moción na que se reclamaban solucións a esta problemática. "A inacción é total, hai unha tremenda falta de medios e de coordinacións. Non hai iniciativa por parte da Administración para atacar este problema" Nos seus últimos datos, Medio Rural cifrou en máis de 1.300 os niños retirados e noutros tantos os que foron avistados (uns 2.700). Pero os expertos advirten de que estas cifras quedan moi curtas. Son moitos máis os enxames e as localidades afectadas. Segundo AGA, a administración recibe cada día 70 chamadas avisando da presenza da velutina e 50 desas están no certo. Ademais, lembran que o teléfono co que se debe contactar é o 012 e non o 112 como ocorre en moitos casos. En cada concello afectado, as cifras e as experiencias dos veciños arrepían. No de Cambre, por exemplo, Protección Civil retirou preto de 70 niños en tan só tres meses. En Ortigueira, un veciño chegou a contar unhas 6.000 avespas asiáticas recollidas durante o verán mediante trampas caseiras no seu negocio e é habitual ver as parras de calquera casa ateigadas de exemplares que proveñen de niños que, en máis dunha ocasión, alcanzan alturas de máis de 20 metros. En Cambre, Protección Civil retirou 70 niños en tres meses; en Ortigueira, un veciño apañou 6.000 avespas asiáticas en trampas caseiras A AGA insiste en que falta "coordinación" e que a Xunta exerza de canalizador das accións que se vaian tomar. Ademais, critica a falta de medios e a tardanza na retirada de niños, o que obriga a que moitos concellos teñan que actuar malia non ter en moitos casos o material necesario. De feito, son en moitos casos veteranos apicultores os que colaboran coas administracións locais. Por iso, desde moitas destas administracións locais e desde a AGA reclaman tamén máis formación para todos os implicados na loita contra a velutina, máis control e uso de antiqueratiniziantes na época de crecemento nas larvas ou menos dificultades burocráticas á hora de dar aviso da localización de niños. Ao tempo, reclámanse fondos tamén "para investigar os métodos de loita máis axeitados", como a elaboración dunha feromona específica para utilizar nas trampas. Lembra AGA que hai fondos europeos destinados á investigación onde pode entrar a velutina e que Francia está a piques de sacar ao mercado feromonas selectivas, un método que "será un bo paso pero que nos vai costar cartos". Pero mentres a Xunta non reacciona, son os propios apicultores os que están a "estudar a aplicación doutras medidas para reducir os efectos do actual aumento de velutinas". "Primeiro hai que confirmar os resultados e despois farémolos públicos se se demostra a súa eficacia", remata AGA. |
NOS_56325 | O Fiscal Xefe asegura a Sermos Galiza que a situación da lingua propia nos xulgados é aínda "precaria" e tamén amosa preocupación pola "vulnerabilidade" do Patrimonio cultural. | Carlos Varela, Fiscal Xefe de Galiza, confesou nunha entrevista a Sermos Galiza -publicada na súa maior parte no semanario de papel- que a situación do galego no eido da Xustiza segue a estar moi lonxe de ser a desexada xa que a poboación non ten a seguridade de ser atendida en galego. "O futuro do galego non depende unicamente dos avances culturais ou no ensino, senón tamén está directamente ligado aos mercados de bens e servizos" "A situación do galego neste eido é aínda precaria e pode acreditarse que o dereito do cidadán a recibir servizo na súa lingua de elección non esta actualmente garantido", afirma Varela, que tamén fixo referencia ao seu compromiso persoal: "A miña contribución desde o ámbito da Xustiza realízase a través da Irmandade Xurídica Galega, que ano tras ano incrementa o número de persoas dispostas á utilización do galego no seu ámbito profesional. É un traballo paciente e teimudo, fundamentalmente dirixido á avogacía por seren o colectivo profesional máis numeroso, pero no que nos implicamos tamén as outras profesións xurídicas". Sobre a situación do galego logo de que os datos apunten a unha perda constante de falantes, o Fiscal asegura que "o futuro do idioma galego non depende unicamente dos avances que se poidan conseguir no eido cultural, nin sequera dos avances que se puideran conseguir no sistema educativo. O seu futuro, está directamente ligado ao mundo da economía e á súa proxección nos mercados de bens e servizos, os mercados financeiros, as relacións laborais e o mundo da empresa coa súa organización, loxística, mercadotecnia e finanzas". Patrimonio Especialista en defensa do Patrimonio, nos mesmos días no que, por exemplo, fálase moito da falta de seguridade que permitiu o roubo do Códice Calixtino, Varela afirma que "a vulnerabilidade do noso patrimonio cultural é de orden variada, aínda que as principais causas están suficientemente identificadas. A seguridade dos templos non pasa soamente polo simple resgardo ou control de obxectos. Hai todo un conxunto de prácticas que, esixindo un maior esforzo e empeño, poden contribuír á preservación inmediata do seu patrimonio". "O proxecto 'Igrexa Segura',realizado pola Fiscalía Superior, contempla un detallado Manual de Seguridade para a prevención delitiva. Actuando cun protocolo común todas as entidades con responsabilidade na custodia dos bens culturais, tanto civís como relixiosas, poderían optimizar esforzos, intereses e recursos que permitiran crear as condicións de seguridade e de conservación necesarias para a salvagarda deste patrimonio, permitindo a súa apertura á sociedade e o seu goce controlado calquera que sexa o lugar onde se atope. No noso pais semella que aínda queda moito para logralo", engade o Fiscal Xefe de Galiza. |
NOS_23921 | A nova edición decorrerá do 14 ao 19 de decembro en Pontevedra e destacará propostas audiovisuais de Marcos Nine e Chema García Ibarra. | A sexta edición do festival Novos Cinemas achegará a "radicalidade estética" e a fuxida das modas audiovisuais a Pontevedra entre o 14 e o 19 de agosto. Así é como define a organización do certame tanto a proposta de apertura, A virxe roxa, de Marcos Nine, como a de clausura Espíritu sagrado, primeira longametraxe de Chema García Ibarra, e polo tanto traspasarán ese carácter á cidade mentres teña lugar o evento. Polo de agora só transcendeu esta parte da programación, na que tamén terá certo protagonismo o obradoiro 'Os entes', detrás do que estarán os coñecementos e a experiencia de Chema García Ibarra e Leo Díaz. Os universos "tan singulares como inmediatamente recoñecíbeis" de Marcos Nine e Chema García Ibarra van ser protagonistas principais. Do primeiro, Novos Cinemas estreará para a Galiza -após o visionado do público da Seminci- A virxe roxa (Recrea Films), unha proposta que "a historia real de Hildegart Rodríguez, nena prodixio e ensaísta política e social, á quen a súa nai Aurora matou a tiros mentres durmía ao non verse executado o plan de futuro de 'libertadora da muller' que tiña ideado para ela". Nerea Barros, María Vázquez e Antonio Durán "Morris" danlle voz a este documental que fala dunha muller que, con só 18 anos, era unha das feministas destacadas da Segunda República en España. No entanto, a película tamén repara no seu significado como "un produto perfectamente calculado e deseñado pola súa nai". Para o feche desta sexta edición, proxectarase a ópera prima de García Ibarra, que leva por título Espíritu sagrado e non deixa indiferente a ninguén desde os primeiros aos últimos fotogramas. O cineasta atopa unha España de barrio "que colma as súas ansias de fe no sobrenatural". A obra xoga entre o divertimento e o tráxico coa historia de José Manuel e o resto de membros da asociación ufolóxica Ovni-Levante e as súas reunións. "Julio, o seu líder, morre inesperadamente deixando a José Manuel como o único coñecedor do segredo cósmico que pode alterar o porvir humano", avanza a organización, sobre unha creación que abre a porta ao crime, o misterio e mesmo o ocultismo. Todo chegará no marco do festival Novos Cinemas, que está organizado pola Asociación Cultural Novos Cinemas e Matriuska Producciones, conta co financiamento do Concello de Pontevedra, a Xunta da Galiza a través da Agadic, a Deputación de Pontevedra, a Universidade de Vigo e o ICAA. |
NOS_25388 | Profusión de bandeiras españolas e berros de "liberdade" para reclamar a dimisión do Goberno estatal. | Centos de persoas participaron outro día máis nas mobilizacións que se están a desenvolverse no barrio de Salamanca, en Madrid, unha das zonas de maiores rendas da cidade, nunhas protestas apoiadas e promovidas, entre outros, por Vox. Centos de persoas, entre 1.000 e 2.000 segundo a fonte que se consulte, que marcharon por rúas deste barrio opulento con abundancia de bandeiras españolas e berros de "liberdade" para pedir a dimisión do Goberno español. Responsabilizan, no marco do discurso mediático e político da dereita, o Executivo estatal das miles de mortes polo coronavirus ao tempo que o acusan de 'cercenar' liberdades individuais e económicas. Unhas mobilizacións, nas que tamén hai cazoladas, que se realizan sen cumprir nin respectar oos requisitos e medidas establecidas no estado de alarma e tendo en conta que Madrid está na Fase 0 do desconfinamento. Outras zonas podentes da capital do Estado, como Aravaca, tamén se sumaron a esta iniciativa. 🔴🇪🇦 EN COURS - Plusieurs centaines d'habitants du quartier de Salamanca à #Madrid manifestent pour la 3eme soirées consécutives et réclament la démission du gouvernement.#COVIDー19 #DeconfinementJour4pic.twitter.com/rMpjC3EPVC— Anonyme Citoyen (@AnonymeCitoyen) May 13, 2020 As centos de persoas, agrupadas, marcharon pola rúa sen respectar o distanciamento social nin distancia de seguridade pola COVID-19. O domingo pasado axentes da policía española identificaron unha ducia de persoas que tomaban parte nestas protestas. O Movemento Barrio de Salamanca "Núñez Balboa" chama nas redes sociais a repetir as mobilizacións todos os días ás 21:00 horas. Afirma que non ten ligazón con ningunha organización mais indica reiteradamente que "apoiamos as nosas forzas de seguridade e exército e aborrecemos toda inxerencia anti-española". Recentemente o Tribunal Constitucional prohibira unha caravana convocada pola CUT polo Primeiro de Maio apelando ao estado de alarma. |
PRAZA_6694 | O ex vicepresidente de Caja Madrid, Moure Bourio, retirou case 40.000 euros en metálico de caixeiros da entidade. Os outros dous antigos directivos de orixe galega empregaron os cartóns opacos en restaurantes, roupa ou electrodomésticos, entre outros produtos. | O escándalo das tarxetas negras de Caja Madrid e Bankia, repartidas pola entidade madrileña a 86 membros da súa directiva e do seu Consello de Administración, poden constituír un delito societario e de apropiación indebida, segundo a Fiascalía Anticorrupción, pero tamén un demoledor retrato de quen as utilizaban. A diferenza fundamental a respecto dos gastos de representación que adoitan sufragar empresas e institucións é que os cartos destas tarxetas non eran declarados a Facenda e que, ademais, en moitos casos, o diñeiro era empregado para fins particulares. Como detallou Praza Pública, entre os beneficiarios destas tarxetas hai, cando menos, tres galegos que gastaron máis de 200.000 euros entre 2003 e 2006. A publicación dos extractos íntegros en ElDiario.es permite, ademais, coñecer onde foi parar o dispendio. A maior parte dos gastos 'galegos' de Caja Madrid son os de Francisco Moure Bourio, quen chegou a ser vicepresidente da caixa madrileña e que, segundo a documentación da investigación interna de Bankia, cargou 127.300 á súa tarxeta opaca. Moure Bourio, que acumula un amplo currículo de postos directivos en diversas empresas españolas, gozou do seu cartón negro durante tres anos e combinou os cargos en diferentes establecementos coa retirada de fondos en metálico. Así, Moure Bourio, que chegou a reivindicar Caja Madrid como "obra miña", retirou un total de 39.150 euros en case 80 visitas ao caixeiro. Agás en dúas ocasións, sempre retiraba 500 euros. Moure Bourio retirou case 40.000 euros en metálico e pagou dúas polbadas no San Froilán Alén dos cartos en metálico os gastos black de Moure Bourio repártense entre Galicia e Madrid e neles destacan as viaxes, hoteis e restaurantes e a combinación de gastos de gran magnitude con cantidades moi reducidas. Así, por exemplo, deu en gastar 140 euros nunha xeladería e 1.643 euros nun hotel, pero tamén pouco máis de 20 euros en dous aparcadoiros públicos de Lugo situados preto da sede da Deputación Provincial. Ambos producíronse cando Moure Bourio era presidente do Club Baloncesto Breogán e a entidade provincial lucense, presidida polo popular Francisco Cacharro Pardo, a máxima accionista do equipo. Nesa época encádrase tamén un xantar nunha das casetas do polbo do San Froilán, onde acudiu o primeiro día das festas de 2003 e gastou 161 euros. Tres anos despois, en 2006, Caja Madrid sufragoulle outra polbada no San Froilán por 118,50 euros. Do Women's Secret a Sargadelos Flores, comida rápida, xantares nunha parrillada de Sada ou marisco figuran tamén a nome de Francisco Moure Bourio nunha relación de extractos no que o segundo galego que máis gastou foi Alejandro Couceiro Ojeda, antigo secretario xeral da patronal madrileña que en 2008 lamentaba que a sociedade estivese inmersa nunha "crise de valores". No caso de Couceiro Ojeda abundan tamén os gastos en restaurantes -un só xantar, por exemplo, supera os 1.000 euros-, se ben na súa tarxeta destacan outros cargos dos que cabe deducir que empregaba os cartos de Caja Madrid para fins que transcenden a representación empresarial. Máis de 350 euros nunha zapataría, 200 euros na sección de electrónica de Alcampo, 220 euros nun Carrefour ou 489 nun Hipercor son algúns dos exemplos. Couceiro Ojeda gastou uns 1.500 euros en electrodomésticos, De las Cuevas adquiriu produtos culturais e acudiu tamén a numerosos restaurantes Como o antigo presidente da entidade, Rodrigo Rato, Couceiro Ojeda tamén aproveitou a súa tarxeta para mercar material de ferraxarías -máis de 200 euros nunha soa compra-. Tamén adquiriu obxectos nunha tenda de bicicletas por máis de 70 euros, pagou algo máis de 30 euros nunha perruquería, gastou uns 1.500 euros en electrodomésticos ou case 60 na tenda de lencería do grupo Cortefiel Women's Secret. O terceiro galego da relación de gastos, Miguel Muñiz de las Cuevas, ex presidente do ICO (1986-1996) e antigo director do Teatro Real, acadou unha suma de gastos máis reducida que Moure e Couceiro, chegando aos 20.800 euros. Nos gastos de Muñiz de las Cuevas, ao contrario da maioría dos seus homólogos, inclúense tamén adquisicións do ámbito cultural, como libros ou outras compras en establecementos como a Fnac ou outras librarías. Nos seus extractos conviven restaurantes de gama media con outros como o exclusivo Club Allard de Madrid, cun xantar por 192 euros, ou un coñecido establecemento hostaleiro do centro de Compostela, no que gastou 166 euros. Na documentación de De las Cuevas figura, ademais, unha compra de 62 euros en Sargadelos en setembro. Todos os extractos das tarxetas 'black', en ElDiario.es |
PRAZA_13824 | O secretario xeral dos conservadores e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, insiste en que o recorte de parlamentarios é unha "demanda cidadá" e apela á "responsabilidade" da oposición. A medida implica unha redución de gasto do entorno a 1 millón de euros e, cos resultados de 2009, afianzaría a maioría absoluta popular. | A toda présa. En plena treboada financeira sobre o Estado os populares galegos semellan dispostos a capitalizar o debate político do país cunha medida que transcende o concepto de serpe de verán. A redución de membros do Parlamento de Galicia, recuperada a pasada fin de semana polo presidente da Xunta, vén pasar aos postos de cabeza da axenda política dos conservadores galegos, dispostos a pasar a tesoira polo Pazo do Hórreo canto antes e, en todo caso, antes das vindeiras eleccións autonómicas, nas que xa non se elixirían 75 deputados e deputadas, senón un número inferior "no entorno dos 61", en verbas do secretario xeral do partido e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda. Rueda insiste en que a cidadanía demanda unha redución no número de deputados, a oposición ve un "pucheirazo" Tras o lanzamento do globo sonda por parte do presidente da Xunta nunha entrevista Rueda escenificou este martes o inicio da operación cunha xuntanza na sede autonómica do PP dende a que reclamou "responsabilidade e coherencia" a PSdeG e BNG, formacións da oposición que, lonxe de ver na proposta unha medida de aforro, observan unha "cortina de fume" ou, simplemente, a procura dun "pucheirazo", segundo acusou o portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez. Os temores de socialistas e nacionalistas diríxense, esencialmente, ás variacións na representatividade e proporcionalidade da Cámara que traería consigo o recorte. Non en van, como informou Praza, con idénticos resultados aos de 2009 os conservadores lograrían ensanchar a súa maioría absoluta nun Parlamento con 15 membros menos. Pero o número dous de Feijóo foxe das interpretacións políticas para recorrer á omnipresente apelación ao aforro, non cuantificado en público polo PP pero que apenas superaría o millón de euros anual. Segundo Rueda esta non é máis ca unha formulación "coherente coa realidade, comprometida coa austeridade e acorde coas preferencias dos cidadáns". Ese mesmo acordo, asegura, prodúcese tamén no seo do propio Grupo Parlamentario Popular, cuxos actuais 38 membris, afirma, están "absolutamente de acordo" na redución". Neste escenario, e coa vista posta nos comicios, Rueda anuncia que "canto antes" o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy -este martes ausente da xuntanza por ter que acudir a un debate televisivo- convocará a socialistas e nacionalistas para presentar formalmente a proposta. "En función do desenvolvemento de ditas negociacións iranse activando as seguintes etapas", di, nun contexto que, a priori, non semella propicio para o acordo. Pola banda socialista o pasado luns a súa voceira institucional, Laura Seara, xa avanzou que nun contexto de crise como o actual, cos servizos públicos "en risco", "o problema non son os deputados ou os concelleiros". Mentres, Guillerme Vázquez abondou no seu rexeitamento á "inaceptábel" medida coa que Feijóo, di, tenta "cambiar as normas e gañar as eleccións cun penalti, aínda que sexa mal pitado". Como sería un Parlamento galego de 60 escanos (ou de 61) |
NOS_28774 | A entidade nega "risco de quebra" e desminte perante os últimos ruxe-ruxe unha "venta urxente", opción que non se desbota a medio prazo e sobre a que xa traballan os principais bancos españois. | O Banco Popular non é un calquera en Galiza. A súa compra do Banco Pastor dotou á entidade presidida actualmente por Emilio Saracho dunha rede de sucursais e clientes que fan que por volta do 15% do aforro galego estea depositado neste banco. Por iso as novas destes días sobre a viabilidade e futuro da entidade financeira sexa seguidas con interese desde Galiza polas consecuencias das mesmas. O Popular remitiu esta quinta feira un comunicado á CNMV nas que negaba que estivese en risco de quebra e negaba tamén que estivese preparando a venda urxente da entidade. Saía así ao paso de noticias que afirmaban que o Banco Popular encargara a JP Morgan e Lazard a venda acelerada da entidade. O banco di que estes dñus bancos o único encargo que teñen é o de estudar a posibilidade dunha ampliación de capital ou unha fusión. Pola boca pequena, non se nega unha venda, mais non agora. Mentres, o mercado aponta a unha futura venda do Banco Popular, cuxas accións rexistraron caídas en Bolsa após días de suba. Unha absorción que podería darse a curto prazo. Os ollos dos grandes bancos españois están pousados sobre a entidade, analizando e avaliando pros e contras. O Banco Santander e o BBVA xa se achegaran ao Popular antes da saída, en decembro, de Ángel Ron. O Sabadell tentou no pasado convencer o Popular para unha fusión. Desde a secretaría de Estado de Economía e Apio á Empresa quixeron mandar unha mensaxe de "tranquilidade" perante a situación do Popular e afirmaron que os clientes poden estar "totalmente tranquilos". |
NOS_27449 | Na véspera da reunión que manterán o Bloque e Anova coa constitución dunha coligación de cara ás eleccións europeas na orde do día, o alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, cita a Celso Emilio nunha entrevista na Radio Galega e enfatiza que "nunca virá de fóra remedio ou esperanza". | "É obvio que cada país ten que ter as súas forzas políticas polo que o PNV non nos vai solucionar os problemas na Galiza, mais Esquerda Unida tampouco", espetou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na entrevista dos almorzos da Radio Galega. Ás portas da xuntanza que o Bloque e Anova manterán esta cuarta feira, 2 de outubro, co obxectivo de achegar posturas para unha eventual coligación de cara ás eleccións europeas, Lores escolleu unhas palabras de Celso Emilio para deixar claro o seu posicionamento: "nunca virá de fóra remedio ou esperanza". Así as cousas, o rexedor nacionalista fixo estas declaracións ao lle preguntar polas súas preferencias a respeito dunha candidatura da cal faga parte EU ou doutra en que vaia tamén o PNV. "Unha cuestión complicada", adiantou entre risas, para apostar de seguido nunha candidatura "que vaia a Europa denunciar a situación en que estamos e defender as capacidades e os intereses dos galegos". Valorou como "complexo" o camiño que lle agarda ao Bloque. "Desde o punto de vista de defender os intereses de Galiza, de apostar no autogoberno, de sermos críticos con políticas europeas e estatais no noso País somos o orixinal, para que nos entendamos", recalcou o alcalde. "Desde que teño uso de razón, levo defendendo o dereito a decidir; levamos dicindo toda a vida que, fóra do viño, non hai ningún sector onde saiamos beneficiados por estar na Unión Europea", dixo Lores. Porén, recoñeceu que "non soubemos transladarlle isto á cidadanía". Segundo explicou, é agora, cando se ven "os efectos negativos de que o País non teña capacidade de decisión e da colonización económica que estamos a vivir", cando "tiraron réditos" outras organizacións políticas que estiveron de acordo "coa transición política, co eurocomunismo, que votaron a favor da Constitución... e que agora, de repente, son críticos con este sistema que eles propios avalaron", en referencia a Esquerda Unida. |
PRAZA_13148 | A iniciativa para acadar un dominio de primeiro nivel para a lingua e cultura catalás acadou o seu obxectivo en 2005, despois de nove anos de traballo, converténdose no primeiro concedido pola ICAAN para unha comunidade cultural e lingüística. Hoxendía hai xa máis de 50 mil webs co .cat | O 16 de setembro de 2005 a ICAAN (Internet Corporation for Assigned Names and Numbers) aprobou o dominio .cat. Era a primeira vez que unha comunidade cultural e lingüística acadaba esta posibilidade para rexistrar as súas páxinas web. Uns días máis tarde, o 21 de setembro ás tres da mañá, entrou en funcionamento a primeira páxina operativa (www.domini.cat, da Fundació puntCat). Era a culminación de case unha década de traballo, que comezara en 1996 coa creación da Associació en Defensa del Domini .ct, un dominio de dúas letras, de carácter territorial, reservado en principio a aqueles países recoñecidos pola ONU ou por algunha das súas axencias. Mesmo cheogu a aprobarse unha proposición non de lei no Parlament de Catalunya que instava a Generalitat a acadar esta homologación. Finalmente, optouse por outra estratexia, a do dominio para comunidades culturais ou lingüísticas. En 2001 creouse a Associació puntCAT, que iniciou unha campaña de recollida de apoios entre a sociedade catalá, e tres anos máis tarde presentouse na ICAAN a candidatura oficial, co aval de 68 mil persoas, empresas e entidades, algo que nunca fixera ningunha outra candidatura. En decembro de 2011, cinco anos despois da consecución do dominio, superáranse as 50 mil páxinas rexistradas co punt cat, o que garante que a Fundació punt CAT, que xestiona o dominio, é autosustentable En decembro de 2011, cinco anos despois da consecución do dominio, superáranse as 50 mil páxinas rexistradas co punt cat, o que garante que a Fundació punt CAT, que xestiona o dominio, é autosustentable e pode reinvestir os seus beneficios en iniciativa a prol da cultura catalá. Nestes anos o feito de ter un dominio propio contribuíu decisivamente a que a lingua catalá tivese un lugar en Internet e se fixese visible no mundo. O dominio punt cat funciona, como demostran algunhas cifras, coma a taxa de renovación dos dominios (do 80%, fronte ao 70% dos .com) ou a taxa de densidade de información (o número de documentos indexados por Google en relación co número de páxinas), que sitúa o .cat moi por riba de calquera outro dominio en canto á súa utilización real (só o .museum se achega un pouco) |
NOS_1877 | O Consello Nacional do BNG decidiu constituir un grupo de traballo que sintetizará as achegas feitas pola militancia ao proceso de debate aberto no seu seo. Guillerme Vázquez considera unha "burla macabra" o decreto sobre desafiuzamentos español. | "A fin do debate é reorientar ao BNG e recuperar confianza social no proxecto nacionalista". Con estas palabras definiu o actual lider do BNG, Guillerme Vázquez, a razón última pola que o proceso que ven de encetar a formación última "ten vocación de ser enormemente participativo". A primeira decisión neste sentido é a creación dun grupo de traballo, formado por membros do Consello Nacional, para recoller e sintetizar as achegas que realice nos vindeiros días a militancia. No seu momento abriranse as achegas a simpatizantes e persoas representativas de distintos sectores sociais. Nos próximos días, nunha data por determinar, este grupo celebrará a súa primeira reunión.Guillerme Vázquez matizou que este debate "non é unha paréntese na actividade" do BNG "é un debate que iniciamos nas asembleas comarcais, cun alto grao de participación e madurez". No seu momento abriranse as achegas a simpatizantes e persoas representativas de distintos sectores sociais Unha "burla macabra" Ao remate do Consello Nacional, Guillerme Vázquez quixo deixar a súa opinión e a do BNG sobre o novo Decreto de desafiuzamentos que aprobou o goberno español. "O primeiro responsábel da crise hipotecaria é a banca e o poder político que permitiu e alentou prácticas a todas luces inmorais". Para o lider nacionalista a responsabilidade desta situación é do PSOE e o PP posto que estiveron nos gobernos do Estado estes últimos anos. A actual lei, daquela, non é máis que "unha burla negra ao seren os mesmos PP e PSOE, que votaron unha e outra vez contra propostas, como as do BNG, para modificar a Lei Hipotecaria ou a favor da dación en pago". O Decreto do Goberno de Rajoy sobre desafiuzamentos aprobado en Madrid é, para Guillerme Vázquez, unha "burla macabra" e unha "operación cosmética inaceptábel". O BNG pensa insistir "e estar ao carón das vítimas" co obxectivo "dunha solución xusta" que exixa á banca pagar pola "súa avaricia insaciábel" Para o lider nacionalista a responsabilidade desta situación é do PSOE e o PP posto que estiveron nos gobernos do Estado estes últimos anos Feijóo, "máis do mesmo" O lider do BNG quixo adiantar un pronóstico sobre os pasos que Alberte Núñez Feijóo dará nos vindeiros meses. "Aplicará na Galiza a política de Rajoy; seguirá coa cantinela da austeridade para as clases populares; negarase a exercer as propias competencias, a exercer como presidente de Galiza, e menos aínda intentará alongalas; afondará na política de respañolización de Galiza e seguirá a mirar para outro lado mentres Galiza perde tecido económico e emprego a esgalla". Este "máis do mesmo" terá diante ao BNG que "combaterá decididamente formulando alternativas". Para o BNG "Galiza non é un país pobre, é un país empobrecido pola aplicación de políticas contrarias aos nosos intereses". Imaxe: TeleBNG |
PRAZA_6659 | A situación repítese en áreas sanitarias de toda Galicia, pero afecta sobre todo á da Coruña, onde as citas do persoal sanitario de baixa ou días libres son repartidas entre os demais traballadores ou, directamente, adiadas. SOS Sanidade Pública alerta de esperas de varios días para unha consulta | A Atención Primaria é a porta de entrada ao sistema público de saúde. Normalmente, cando un usuario ou usuario solicita unha cita co seu médico, a consulta é practicamente inmediata; se o facultativo ou facultativa está de vacacións ou nunha baixa prolongada, adóitase contratar un substituto ou substituta que sae das listas de contratación. Nos últimos anos, de forma máis acusada dende o 2012, en moitas ocasións o SERGAS está optando por non cubrir as baixas e a carga de traballo dun ou dunha profesional, os seus pacientes e citas, están sendo asumidas polo resto do cadro de persoal. Esta política de aforro xa provocou a mobilización do persoal eventual, aqueles e aquelas profesionais sen praza fixa que dependen destas substitucións para traballar. SOS Sanidade Pública denuncia que "os pacientes de médicos que teñan unha baixa prolongada poden pasar semanas rodando de médico en médico para ser atendido polo mesmo problema ou sufrir os atrasos acumulados ante tantos bloqueos de axendas" Porén, esta política tamén ten un efecto nos usuarios e usuarias, sobre todo naquelas áreas sanitarias nas que a obstinación por non realizar substitucións mantense mesmo naquelas épocas con máis baixas (verán ou ciclos de enfermidades estacionais). É o caso da Coruña, onde varios profesionais e a propia plataforma SOS Sanidade Pública denuncian que a política de "intersubstitucións e bloqueos" está provocando graves prexuízos e mesmo que unha cita co médico de cabeceira se atrase varios días. Os bloqueos consisten en que o médico ausente non ten axenda de citas ese día polo que calquera paciente dese médico que queira cita non poderá tela ese día salvo que sexa unha urxencia e nese caso será atendido por outro médico, a maiores dos propios pacientes. Un médico que falte cinco días pode ter bloqueados tres días e os outros dous repartir os seus pacientes entre os médicos do centro. A intersubstitución, outra forma de xestionar as ausencias, significa que os pacientes citados para un médico repártense entre os médicos do centro. SOS Sanidade Pública denuncia que "os pacientes de médicos que teñan unha baixa prolongada poden pasar semanas rodando de médico en médico para ser atendido polo mesmo problema ou sufrir os atrasos acumulados ante tantos bloqueos de axendas" e que "o risco para a saúde dos pacientes por falta de asistencia é elevado". "A atención primaria debe ser o momento de detectar de forma precoz os problemas. Se unha persoa ten que agardar tres ou catro días para ser atendido polo seu médico de familia, estamos ante a peor asistencia sanitaria que se pode dar" María Seijo, representante da plataforma, cualifica esta política da Xerencia de Atención Integrada da Coruña de "despropósito" e alerta de que pode favorecer a automedicación ou xerar "colapsos" nos servizos de urxencia, onde se dirixirían as persoas que observasen un adiamento excesivo da súa petición de cita. "O Sergas, esta Xerencia, crea lista de espera en atención primaria", destaca, "a atención primaria debe ser a atención inmediata, porque debe ser o momento de detectar de forma precoz os problemas, de iniciar os tratamentos. Se unha persoa ten que agardar tres ou catro días para ser atendido polo seu médico de familia, estamos ante a peor asistencia sanitaria que se pode dar". Así mesmo, sinala, prexudícase a atención que reciben os pacientes, que en ocasións son atendidos por médicos que os ven a maiores da súa carga de traballo habitual, e ademais pode que a seguinte vez sexan atendidos por outro médico diferente. "O caso do Ventorrillo é o máis extremo, pero isto sucede no Castrillón, en Elviña, en Matogrande, en Carballo, en toda a área sanitaria" Seijo engade que "esta Xerencia foi a única que non lles ofertou traballo programado para todo o verán aos médicos en paro. Cando o resto de xerencias estaban chamando aos médicos en paro e ofrecéndolles contratos aquí estábanlles dicindo que ía haber pouco traballo". "O caso do Ventorrillo é o máis extremo, pero isto sucede no Castrillón, en Elviña, en Matogrande, en Carballo, en toda a área sanitaria", comenta. "Hai unha política sanitaria premeditada, dirixida a privatizar todo o privatizable, e a que quede a asistencia pública como unha asistencia de mínimos", conclúe. |
NOS_8302 | 58,9% das persoas enquisadas no conxunto do Estado español afirman sentir "medo" ou "preocupación" ante a posibilidade de que a formación de extrema dereita entre no Goberno. | Segundo unha enquisa difundida na mañá desta segunda feira por 40db, unha de cada seis persoas (58,9%) do Estado español sente "medo" (21,4%) ou "preocupación" (37,5%) ante a posibilidade de que a formación de ultradereita Vox forme parte do Goberno estatal. No extremo oposto, 12,6% das persoas enquisadas responderon que esta cuestión lles causaría "tranquilidade", e outro 10,4% falou de "satisfacción", mentres a 7,7% élles "indiferente" e o 10,5% restante prefire non contestar. Os sentimentos de "medo" e "preocupación" son máis frecuentes entre as persoas votantes de Unidas Podemos (95,3% manifestaron temor a que Vox goberne), Más País (86,6%) e PSOE (80,7%), e cae de forma significativa no electorado de Ciudadanos (46,6%), PP (32,8%) e, como cumpría esperar, Vox, malia que 2,8% dos votantes da extrema dereita aseguraron tamén sentir "medo" ou "preocupación". A respecto dun hipotético 'cordón sanitario' a Vox, 42% do total de persoas enquisadas cre que se debería tratar como "un partido máis", sen veto ningún, mentres 21,1% avoga por "non permitir a súa entrada no Goberno", 9,6% opina que se pode debatir coa extrema dereita, mais "sen alcanzar acordos", 5,3% avoga por negarlle o debate e 11,6% aposta pola súa ilegalización, ao tempo que 10,3% responderon "non sabe, non contesta". A enquisa, aliás, desvela un dato sorprendente: case un de cada dez votantes de Vox (9,5%) contestou a esta pregunta afirmando que a formación debería ser ilegalizada, e case outro 10% apuntou que non se debería permitir que gobernase, que se debe debater con eles mais sen chegar a acordos ou mesmo negarlle o debate no Congreso. Vox, un partido "fascista" Por outra parte, 28,5% das persoas enquisadas definiron Vox como un partido "fascista", mentres 15,2% o cualifica como "nacionalista español", 12,1% como "patriota", 10% como "xenófobo", 9,8% como "ultra", 7,8% como "conservador", 4,4% como "populista" e 2,5% como "liberal", ao tempo que o 9,7% prefire non definir a ideoloxía deste partido. Aliás, 66,7% aseguraron que Vox é "bastante" ou "moito" de extrema dereita e 54,1% que "non respecta os dereitos de minorías como o colectivo LGBTIQ+ ou as persoas migrantes". |
PRAZA_8974 | Carlos Blanco, Suso de Toro ou Fernando Vázquez protagonizan un vídeo no que alertan ao mundo dos graves riscos que supón para o país a política mineira da Xunta e únense á recollida de sinaturas para deter os numerosos proxectos. Vídeo no interior. | A loita colle forzas. Varias personaxes públicas galegas alzan a voz contra a minería contaminante no país e alertan publicamente e a todo o Estado e ao mundo dos riscos que corre Galicia cos varios proxectos mineiros previstos para os vindeiros anos. Así, sumáronse a través dun vídeo reivindicativo en YouTube á petición on line que reclama á Xunta que "poña freo á megaminería en Galicia" e que conta xa con 34.000 sinaturas de apoio. Entre os protagonistas do vídeo hai personalidades do cinema, da literatura, do xornalismo e do deporte como a actriz Sabela Arán; o xornalista Fernando González, Gonzo; o actor Carlos Blanco; o actor Víctor Mosqueira; o escritor Suso de Toro; Fernando Vázquez, adestrador do Real Club Deportivo da Coruña; Ramón Varela, xornalista ambiental, ou os actores Javier Veiga e Luís Zahera. Todos eles advirten en castelán dos riscos que asolan o país. "Algo moi grave está a piques de suceder en Galicia e poucos o saben", advirten os protagonistas "Algo moi grave está a piques de suceder en Galicia e poucos o saben", alertan, por exemplo, Carlos Blanco e Suso de Toro, que se unen ao resto de voces que advirten de que "Galicia abre as súas portas a multinacionais estranxeiras para se converter nunha gran mina a ceo aberto". "Millóns de euros, pero para uns poucos; aos galegos só nos quedará devastación, pobreza e uns cantos traballos precarios que desaparecerán en poucos anos", insisten, mentres se insiren imaxes das paisaxes galegas ameazadas ou de minas a ceo aberto xa construídas noutros lugares. No vídeo ponse como exemplo de maior risco o proxecto mineiro de Corcoesto, cuxas magnitudes e consecuencias tamén se explican no vídeo ao que se une a etiqueta #salvemosgalicia. "Lembrades o que sucedeu en Aznalcóllar?", din nunha campaña na que tamén se culpa a Xunta por dar o visto e prace ás iniciativas sen que as empresas elaborasen estudos pormenorizados sobre os riscos. "En poucos anos, as empresas marcharán con todo e a Galicia non lle quedará nada", pode lerse sobreexposto. "Lembrades o que sucedeu en Aznalcóllar?", advirten no vídeo os persoeiros implicados "Paremos a megamineríai contaminante. Xuntos podemos", reclaman varios dos protagonistas ao final dun vídeo co que se unen a unha petición online que foi posta en marcha na plataforma Change.org por Serafín González Prieto, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e protagonista tamén na peza audiovisual. "Entre as comunidades autónomas, Galicia é só a sétima por superficie pero a cuarta por produción mineira, con máis de 520 explotacións activas que non adoitan ser un exemplo de respecto pola lexislación e o patrimonio ambiental. Agora, a Xunta quere permitir que a cobiza das empresas mineiras converta toda Galicia nunha gran mina ao descuberto, arrasando o noso patrimonio natural, cultural e paisaxístico, contaminando a contorna e pondo en risco a saúde das persoas", explica o creador da petición no texto. A petición para deter os proxectos, dirixida á Xunta, xa sumou máis de 34.000 sinaturas Ademais, Serafín González tamén describe algunhas das ameazas ás que se enfronta a contorna natural de Galicia: "Minas de ouro que utilizan cianuro e producen arsénico no proceso de obtención do escaso mineral (en Corcoesto e outro catro lugares); unha mina de coltán e terras raras potencialmente contaminante na Serra do Galiñeiro que afecta a varios núcleos de poboación; unha mina de andalucita a 50 metros das Fragas do Eume; reapertura de vellas minas xa clausuradas por todo o territorio ....". Os destinatarios da petición son o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Os seus gabinetes reciben periodicamente un correo electrónico informando das novas firmas de apoio que consegue a petición. "Serafín está preocupado polos efectos que a megaminería pode ter en Galicia. Por iso decidiu iniciar esta petición, á que xa se sumaron máis de 30.000 persoas", di nun comunicado Francisco Polo, director de Change.org en España. |
NOS_22278 | A poeta Marta Dacosta resultou gañadora do premio Johan Carballeira de poesía, do concello de Bueu, coa súa obra "dun lago escuro". | Un xurado composto por Daniel Costas, Berta Dávila e Armando Requeixo seleccionou como gañador do premio Johán Carballeira de poesía do Concello de Bueu a obra "dun lago escuro" de Marta Dacosta. O xurado destaca do poemario de Dacosta "o elaborado xogo simbólico do poemario, alicerzado nunha aarquitectura esférica onde o lacunar de ameaza escura recolle un discurso fondamente parabólicos". Sinalan tamén as "evidentes tinturas de crítica socialque van de mans dadas coas luzadas de afirmación xenérica e as reflexións a propósito de trabes temáticas como a incerteza, a caída, a soidade, o silencio, a anonimia ou a rutina esgazadora." Acuática alma (Espiral Maior, 2011) é a obra máis recente desta autora que comezou a súa conta de libros en 1993 con Crear o mar en Compostela, Premio de poesía O grelo. Con Pel de ameixa (1996) gañou o González Garcés e con Setembro (1998) o Martín Códax de Poesía. En atalaia alerta e As amantes de Hamlet son outros dos seus títulos poéticos. |
NOS_54477 | Un grupo de xuristas redactou un proxecto de Carta Magna para unha posíbel independencia que nos seus puntos evita que unha forza política poida acaparar poder e gobernar sen negociar con outras e afirma que non terá exército. | A proposta de Constitución catalá redactada por un grupo de xuristas liderado polo maxistrado da Audiencia de Barcelona Santiago Vidal propón prohibir as maiorías absolutas para "garantir a división de poderes". En rolda de prensa de presentación do proxecto no Ateneu Barcelonès, o seu autor detallou que "o partido ou lista que consiga máxima aceptación cidadá tería maioría de escanos, pero nunca máis do 49%". Así, "o partido ganador sempre debería negociar con outros da oposición, polo que se impediría o erro dalgunhas democracias de que, se un partido consegue a maioría absoluta, o poder lexislativo deixa de representar ao pobo e representa a ese partido". Vidal criticou que a Constitución Española describe España como unha democracia formal con división de poderes, "pero na práctica está en mans dos mesmos partidos ou dos mesmos grupos de presión". O proxecto do equipo de Vidal tamén aposta por modificar o sistema electoral e introducir listas abertas, algo que "obrigaría aos concelleiros, deputados e alcaldes a ter unha oficina a pé de rúa para os cidadáns". O xuíz tamén defendeu que se deberían limitar os mandatos a dúas lexislaturas, que á súa vez pasarían de ser de catro anos a selo de cinco, segundo a súa proposta. Tamén explicou que prevé un mecanismo xudicial para que os cargos públicos que non cumpran co seu programa electoral -o seu "contrato co elector"- poidan ser destituídos, algo que pode non gustar aos políticos, recoñeceu Vidal. Segundo a súa proposta na Constitución, Catalunya non tería exército e eliminaría as diputacións. |
NOS_2101 | O BNG e a Sociedade Española de Radioloxía Médica (SERAM) advirten das intencións do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de adquirir un equipo para realizar TAC e resonancias para uso exclusivo do servizo de cardioloxía, un feito, din, que suporía a fragmentación na igualdade das persoas doentes a estas probas. Máxime nun hospital cunha importante listaxe de agarda. | A Sociedade Española de Radioloxía Médica (SERAM) vén de informar da convocatoria, pola empresa MEDTRONIC, dun proceso para a adquisición dun equipo de radiodiagnóstico para realizar TAC e outro para realizar resonancias magnéticas na área de cardioloxía do CHUS. Isto, advirten as médicas e os médicos, suporía "a ruptura da equidade e a distorsión dos sistemas de priorización da demanda que rexen o noso traballo". O BNG xa presentou unha proposición non de lei e mais unha batería de preguntas no parlamento ao respeito. A través da parlamentar Montse Prado, o Bloque sinala que "os servizos de radiodiagnóstico son considerados servizos centrais, e como tales, realizan as probas diagnósticas, as exploracións, a doentes procedentes do conxunto dos servizos dos centros hospitalarios, desde unidades de hospitalización a consultas externas ou urxencias". O uso exclusivo dos citados equipos na área de cardioloxía "significaría a fragmentación na igualdade das persoas doentes no acceso ao TC e RM" e "rompería a equidade" O uso exclusivo dos citados equipos na área de cardioloxía "significaría a fragmentación na igualdade das persoas doentes no acceso ao TC e RM" e "rompería a equidade". "Estabeleceríanse patoloxías de primeira e de segunda", afirma Montse Prado, quen reclama que se clarifique, a través da presentación dun informe na cámara, "cales son as circunstancias, as condicións, as causas, as contraprestacións nas que unha empresa provedora habitual do Sergas realice a doazón de equipamento de TC e RM á sanidade pública". Listas de agarda "tremendas" A parlamentar nacionalista denuncia que as listas de espera nos servizos de radiodiagnóstico "están converténdose en estruturais" e asegura que "son constantes as queixas de doentes e profesionais sobre as tremendas demoras e as consecuencias na saúde das persoas". Segundo os dados do Sergas, as listas de agarda oficiais para resonancia magnética é de 5.000 persoas, e de 3.000 para o TAC Segundo os dados do Sergas, as listas de agarda oficiais para resonancia magnética é de 5.000 persoas, e de 3.000 para o TAC, mais hai que ter en conta que nas listas de agarda só se computan as primeiras probas e as seguintes, e mais os controis, non computan como espera. "Esiximos realizar todas as actuacións precisas para diminuír as amplísimas listas de agarda no servizo de radiodiagnóstico do CHUS", salienta o BNG nunha das iniciativas presentadas no parlamento. Resposta do CHUS A xerencia do CHUS, segundo publica Europa Press, indicou que os citados equipos non serán "para uso exclusivo" da área de cardioloxía, senón que "está contemplado que se poidan compartir co servizo de radioloxía". Para xustificar o uso prioritario en cardioloxía, a xerencia do complexo lembra que as enfermedades cardiovasculares "están asociadas a unha elevada taxa de mortalidade" e, por tanto, "requiren un diagnóstico acelerado". Porén, e tal e como subliña a SERAM, son as e os pacientes oncolóxicos, e os procedentes de neuroloxía e trautamoloxía, os que representan perto do 90% da actividade do TAC e da resonancia, mentres que os cardiolóxicos non supoñen, como promedio, máis do 5%. |
NOS_4287 | Dirixida polo historiador Manuel Pazos, Obradoiro da História naceu en 1996 "co obxectivo de encher o baleiro cultural crónico da comarca de Ordes". Máis de dúas décadas despois, o seu constante labor en defensa do patrimonio e pola recuperación da memoria histórica antifascista chegou a Portugal, concretamente a Lisboa. | A mostra Sepultado no silencio, organizada polo Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova da capital lusa, serviu para reivindicar "a resistencia antifascista" na Galiza e pódese ver até o 25 de xuño no espazo A Cooperativa. Conformada por materiais achegados por Obradoiro da História. Fotos, carteis, cancións, pasquíns axudan a reconstruír a epopea soterrada da guerrilla e as accións de combate contra o franquismo nun relato que impugna a visión usual sobre Galiza, a Guerra Civil e os primeiros anos despois desta. A maiores, a exposición contén outro relato, o dunha asociación cultural comarcal a investigar na parte negada da historia e asumir, así, as tarefas que as institucións públicas se negaron a asumir durante anos. O propio Pazos celebrou que o estudantado portugués se interese polo acontecido na Galiza grazas a Sepultado no silencio. |
PRAZA_12103 | Encontro Irmandiño, Esquerda Nacionalista e a Mocidade Nacionalista Galega confirman a súa asistencia ao acto "aberto", o sábado en Santiago, de inicio dun proceso que culminará, dentro de tres meses, coa constitución dunha nova forza política aberta a "alianzas". | "Unha nova ferramenta política" no ámbito da "esquerda nacional". É a vocación coa que botará a andar o vindeiro sábado o Espazo Ecogaleguista. Cun acto aberto en Santiago, os promotores desta iniciativa "galega, verde e renovadora" apostan por abrir "un proceso" que culmine dentro de tres meses "nunha nova ferramenta política" que, dende un primeiro momento, din, "non quere ser illada". Un dos seus impulsores, o historiador e ex secretario de organización de Esquerda de Galicia, Xoán Hermida, sinala que, dende un primeiro momento, esa nova forza "non quere ser illada", senón "plural e cooperativa" para lograr "alianzas". Partindo desa base, ao encontro de Compostela xa confirmaron a súa asistencia representantes do Encontro Irmandiño e Esquerda Nacionalista, integrados no BNG ata hai poucas semanas. Tamén haberá no acto unha representación da Mocidade Nacionalista Galega (MNG), o referente xuvenil de Máis Galiza que aposta por abandonar a formación frontista, se ben non o decidirá ata que a corrente que encabeza Carlos Aymerich tome unha determinación ao respecto. Desta xuntanza, explica Hermida, sairá unha "xestora" que traballará "no ámbito programático, no das ideas e tamén na estrutura" que pretende "rachar co modelo de partido decimonónico". "A xente non se ata a un proxecto de por vida, non fai vocación de fe", asegura, polo que, no canto de tentar lograr "unha fronte como o BNG, cunha suma de compartimentos estancos e competitivos", o proxecto do Espazo Ecogaleguista, di, será "cooperativo", tanto na composición como na conformación dunha "alianza" na que "nin tan sequera queremos ser hexemónicos". |
NOS_7430 | Sinala que a solución do estaleiro non pasa por acadar un acordo para construír un único barco durante oito meses. | O preacordo para que o armador Ritz Carlton tome o control do estaleiro vigués Hijos de J.Barreras non acaba de gustar ás traballadoras da compañía. O presidente do comité de empresa, Sergio Gálvez (UXT) sinalou esta segunda feira en rolda de prensa tras unha xuntanza coas deputadas do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao e Paula Quinteiro, que «non é lóxico» que se poña sobre a mesa un acordo para rematar «un único barco». Neste senso, o representante dos traballadores indicou que a solución «non pasa por construír un barco durante oito meses, que é o tempo que lle falta ao cruceiro de Ritz Carlton, e deixar o resto da carteira (os proxectos de Havila e de Armas), que son os que lle poden dar viabilidade ao estaleiro». Gálvez, quen criticou que as traballadoras non teñen información das negociacións que manteñen accionistas, o armador e as administracións, reclamou unha «solución integral» para a compañía, e reiterou, sobre os posíbeis movementos de compravenda de títulos, que «o futuro propietario de Barreras tería que falar de todo o estaleiro, non dun só barco». «Non ten lóxica que teña 75% dos dereitos e só queira falar dunha parte da empresa», engadiu. |
NOS_32 | Por permitir un debate sobre a autodeterminación e a monarquía sen atender a prohibición do Tribunal Constitucional | A Fiscalía de Cataluña querelouse por desobediencia contra o presidente do Parlament na pasada lexislatura, o republicano Roger Torrent, e os membros de JxCat e ERC na Mesa por tramitar resolucións a favor do exercicio do dereito de autodeterminación e para reprobar á monarquía. No seuescrito, a Fiscalía de Cataluña solicita á sala civil e penal do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSXC) que cite Torrent e os seus compañeiros independentistas da Mesa como investigados na última lexislatura -Josep Costa (JxCat ), Eusebi Campdepadrós (JxCat) e Adriana Delgado (ERC) -, por un delito de desobediencia á autoridade xudicial, presuntamente por non atender os mandatos do Tribunal Constitucional. Segundo a Fiscalía, Torrent e os seus compañeiros independentistas da Mesa tramitaron na última lexislatura 3 resolucións a favor do exercicio do dereito de autodeterminación e de reprobar á monarquía a pesar das advertencias da súa ilegalidade por parte do secretario do Parlament e sabendo que o Tribunal Constitucional o prohibira. |
NOS_32570 | A crise económica e social derivada da pandemia sabe de clases. Mentres as grandes fortunas ven aumentar o seu patrimonio e beneficios, a pobreza dispárase como consecuencia da perda de poder adquisitivo dos sectores máis desfavorecidos. As políticas públicas de xestión da crise teñen a resposta. | A pobreza aumentou na Galiza desde o comezo da pandemia en 8%. Segundo un estudo elaborado polos economistas da Universidade Complutense, Raquel Sebastián e Gabriel Rodríguez, e o profesor de Oxford Juan Cesar Palomino, e publicado no boletín de Esade baixo o título de Efectos de la Covid-19 sobre la desigualdad y la pobreza en España, con anterioridade á chegada do coronavirus, o 26,5% da poboación galega é pobre, porén en menos dun ano esta porcentaxe chega a 34,5%. Os datos sobre pobreza confirman a tendencia á feminización e á xuvenilización da mesma, denunciada en diversos estudos. A este respecto, Xosé Cuns, nun traballo publicado en 2020, afirma que "nos últimos tres anos de notábel recuperación macroeconómica xeral, a taxa da pobreza na Galiza mantívose inmóbil", e significa "como as mulleres en risco de pobreza e exclusión" superan en dous puntos os homes. Neste sentido, Sebastián, Rodríguez e Palomino sinalan que a desigualdade na Galiza da pandemia é sete puntos superior nas mulleres que nos homes. "A perda salarial dos pobres é de 18,7%" O crecemento da pobreza é consecuencia da perda de poder adquisitivo dos sectores sociais máis desfavorecidos. Así, Sebastián, Rodríguez e Palomino sinalan no seu traballo que na Galiza "a perda salarial dos pobres é de 18,7%" desde o comezo da pandemia, unha tendencia que se repite no conxunto do Estado e evidencia un impacto diferente da crise en función do nivel de renda. Neste sentido, os autores da investigación destacan que "os individuos que xa eran pobres antes da Covid-19 sofren as maiores perdas salariais", e conclúen que "se agrava a situación de pobreza dos traballadores que xa eran pobres antes da pandemia". Os traballadores máis empobrecidos da Galiza superan en perda de poder adquisitivo durante a pandemia a moitos operarios doutras zonas de Europa. Así, para o caso do Estado español a caída do salario dos galegos está por riba de estremeños, andaluces, cataláns e leoneses, aragoneses, navarros, cántabros, rioxanos e murcianos. Se exceptuamos a anomalía vasca, só fican por riba da Galiza aqueles áreas do Estado cun amplo peso da na súa estrutura produtiva da actividade turística, onde o comportamento do sector xera distorsión nos números finais. O acontecido no último ano vén agudizar unha tendencia presente na sociedade galega na última década, onde a perda do poder adquisitivo dos traballadores e pensionistas ten alcanzado niveis descoñecidos na serie histórica. Segundo os datos fornecidos polo Instituto Galego de Estatística, os salarios van caer na Galiza de modo consecutivo entre 2009 e 2014 até sumar unha baixa de 11,3% e a súa alza a partir de 2015 vai ser moi inferior á da media estatal. Así desde 2015 até 2019 os salarios aumentan na Galiza en 15,6% , mentres no conxunto do Estado a alza é de 20,4, o que agudiza aínda máis a fenda salarial. Aumento da desigualdade O índice de Gini é o indicador de referencia para medir a desigualdade. Ideado polo estatístico italiano Corrado Gini, emprégase para determinar a desigualdade dos ingresos, mais pode servir para analizar calquera forma de distribución desigual no interior dunha sociedade. Así, o índice de Gini é un número entre 0 e 100, onde 0 correspóndese coa igualdade perfecta, con todas as persoas cos mesmos ingresos e 100 coa desigualdade máxima, onde unha persoa ten todos os ingresos e os demais ningún. A desigualdade medrou na Galiza no último ano en 2,9. Así, os datos estimados no seu estudo por Raquel Sebastián e Gabriel Rodríguez e Juan Cesar Palomino significan que con anterioridade ao comezo da pandemia o índice de Gini sitúase en 39,5, pasando na actualidade a 42,4. Segundo estes autores, o crecemento da desigualdade na Galiza é idéntico ao de Asturias e Estremadura e superior ao de Navarra, Madrid, A Rioxa, Castela e León, Canarias e Cantabria, colocándose o país moi por diante da media de toda a área norte peninsular. O sucedido durante a pandemia vén agudizar unha realidade moi perceptíbel durante toda etapa de Feixoo á fronte do Goberno galego. A desigualdade na Galiza ten medrado notabelmente durante o período máis intenso da crise e cun ritmo inferior nos anos posteriores, porén a diferenza do acontecido en boa parte dos territorios do Estado, onde se observa unha redución da desigualdade a partir de 2014, o seu aumento non se vai deter no páis ao longo de toda esta etapa. |
NOS_28788 | Unhas 500 persoas maniféstanse en Teixeiro para esixir unha solución á Xunta fronte aos baixos prezos e a falta de garantía na recollida. Esta semana, 22 explotacións tiveron que desbotar o leite. | Os produtores de leite galegos advirten de que a actual crise ameaza con levar o sector ao "afundimento definitivo". Esta foi unha das denuncias realizadas polas 500 persoas que este domingo se concentraron en Teixeiro, no municipio coruñés de Curtis, en solidariedade coas 22 granxas que esta semana tiveron que desbotar o leite producido porque a industria decidiu non recollelo. "Que Pascual deixara de recoller leite en Galiza, que esta semana comezara a facelo Leche Río, ou que xa o anunciara a empresa Leitigal, son síntomas da peor crise pola que atravesa o sector leiteiro galego", manifestou o Sindicato Labrego Galego. "Esta semana tocoulle a 22 granxas, pero no futuro pode sucederlle a calquera". "Estamos ao límite, cos prezos actuais nin sequera cubrimos gastos e moitas explotacións terán que botalo peche", denuncian. Alertan de que a situación, "lonxe de ser un problema conxuntural", pon en risco a supervivencia do "principal motor económico" no medio rural "en virtude das políticas deseñadas fóra de Galiza" e dos abusos da industria. Por ese motivo, esixiron a intervención da Consellaría de Medio Rural e da Xunta, a quen acusan de ignorar a crise do sector e de favorecer a mesma industria que os arruína, cando esta situación se podería solucionar con medidas políticas. "Estamos ao límite, cos prezos actuais nin sequera cubrimos gastos e moitas explotacións terán que botalo peche", criticou o voceiro da concentración, en declaracións para Radio Galega, onde recordou que os baixos prezos e a falta de garantía na recollida do leite deixan os produtores indefensos. Ademais do sector, na concentración estiveron presentes representantes públicos. Entre outros, algúns dos alcaldes e alcaldesas dos concellos da contorna como Boimorto, Toques, Santiso ou Sobrado. Tamén o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, e da europarlamentaria de AGE e antiga sindicalista labrega, Lidia Senra. Non asistiu ningún dirixente do PP. |
PRAZA_20620 | Diversas empresas do grupo de Raúl López fanse coas concesións en sociedade consigo mesmas malia que a Xunta presentou a posibilidade de agrupar firmas como unha medida para a subsistencia de pequenas e medianas empresas A CIG pide anular a adxudicación dun contrato ao alcalde de Ambía investigado por explotación de migrantes | A CIG pide anular a adxudicación dun contrato ao alcalde de Ambía investigado por explotación de migrantes Cando a Xunta anunciou o seu novo e contestado plan de transporte para o rural, co que a partir do 8 de agosto integrará os autobuses escolares cos regulares, asegurou que protexería ás pequenas e medianas empresas fronte ás grandes firmas do sector. Para iso, malia que deseñou contratos zonais cuns requisitos tan elevados que impedían a moitas desas pequenas empresas acceder a eles, o Goberno galego dixo que facilitaría as unións temporais de empresas (UTE). Porén, o resultado final das adxudicacións revela que boa parte desas unións de empresas adxudicatarias non foron de firmas pequenas senón de diversas sociedades dun mesmo gran grupo, Monbus, propiedade de Raúl López, que acadou así un de cada catro contratos en liza, o límite establecido pola Xunta para un mesmo conglomerado de sociedades. Diversas empresas do grupo de Raúl López fanse coas concesións en sociedade consigo mesmas malia que a Xunta presentou a posibilidade de agrupar firmas como unha medida para a subsistencia de pequenas e medianas empresas Nesta primeira reestruturación do transporte en Galicia, previa á que en 2019 afectará a toda a comunidade, a Xunta sacou a concesión 41 contratos zonais fundamentalmente en Ourense e Lugo. Deles, o pasado mércores a Consellería de Infraestruturas adxudicou unha primeira quenda de 27 contratos. Un día despois, o xoves, a consellería fixo públicas outras 11 adxudicacións das que explicou que se atrasaran un día á espera de que as empresas lle xustificasen mellor as rebaixas que plantexaban no que aspiraban a cobrar da Xunta. Deses 11 contratos dos que a consellería amosou inicialmente dúbidas sobre as ofertas económicas presentadas, 8 foron parar a unións de empresas con presenza de firmas do grupo Monbus, aos que hai que engadir outros dous obtidos o día anterior. Para concorrer e obter estas concesións, o grupo Monbus presentou unións de varias das súas diversas empresas de autobuses como Castromil, Auto Industrial, Monforte ou La Unión. Algunhas das liñas que obtiveron as empresas de Monbus son as máis atractivas economicamente do paquete agora a repartir e xa viñan sendo operadas por empresas do mesmo grupo. Monbus mantén así a súa posición en Galicia malia os problemas xudiciais aos que se enfronta o seu propietario, que adoitaba obsequiar con regalos de elevado importe a numerosos políticos e funcionarios que os tribunais non consideraron reprochables penalmente. Tras Monbus, a outra gran multinacional presente xa en Galicia, Arriva, obtivo tres concesións, situadas no norte da Coruña e Lugo, a zona na que xa viña operando. A que entra con forza na comunidade, con cinco concesións en sociedade con outras empresas locais que xa operaban nesas zonas, é Kautras SL, empresa con sede en Barcelona. A Xunta aínda ten pendentes de outorgar tres contratos máis que adxudicará a dedo de xeito directo "ante a falta de ofertas válidas para concorrer a esas concesións" A Xunta aínda ten pendentes de outorgar tres contratos máis que adxudicará a dedo de xeito directo "ante a falta de ofertas válidas para concorrer a esas concesións", segundo di. Son os correspondentes ás zonas de Ourense, Baixa Limia e Terra de Celanova, precisamente as que hai un ano eran postas como exemplo por parte das súas anteriores empresas adxudicatarias das perdas que estaban a ter por operar nas mesmas, o que as levou a renunciar ás anteriores concesións. |
NOS_35852 | Radicada entre Pontevedra e a cidade brasileira de Bragança Paulista, a editora Urutau leva xa unha boa tempada paseando un catálogo cheo de poetas da Galiza, que suman a súa obra a un principio editorial baseado na diversidade. | Unha aposta que xa conta cun grande volume de títulos e que se move entre voces consagradas e outras debutantes. E se a memoria está na boca / Ángel Suanzes / fotografía de Clara Honorato Soto / Urutau / 2020 / 52 páxinas / 12 euros O poeta que hoxe nos ocupa pertence xustamente a ese segundo grupo. Cunha carreira xornalística moi vinculada ao cinema, a aparición de Ángel Suanzes no eido da poesía galega é unha pequena sorpresa, unha de tantas que veñen honrar un xénero que segue a ser da maior importancia para a nosa cultura e que formula unha sorte de convite aberto para ofrecerlle novas voces. Non sorprende que o propio Suanzes aluda a unha práctica privada que se remonta á súa adolescencia e que regresa, como un río subterráneo, na forma deste primeiro libro de madurez. Porque, dalgunha forma, a poesía é algo que nos acompaña durante toda a vida, aínda que só ás veces acabe frutificando na forma dunha obra editada. O primeiro que sorprende deste debut do autor é o ben pouco que lembra ás clásicas pezas iniciáticas. Suanzes amosa unha voz ben perfilada, cun discurso poético de tons minimalistas nos que rastrexamos, por momentos, unha certa contención. Características ben pouco habituais nos primeiros libros e que algunhas voces poéticas non chegan a dominar nunca. Trátase de algo ao que sen dúbida axuda, tanto o formato, como o tema escollido. Do primeiro, non podemos deixar de destacar o coprotagonismo de Clara Honorato Soto, que achega unhas fotografías que, con reflexos, siluetas e enfoques, conseguen evocar un lirismo do cotián que conxuga á perfección cuns poemas que xogan máis á descrición do estático e a creación de imaxes que a calquera outro tipo de discurso. Pola súa parte, a temática da obra incide nun cotián onde a experiencia romántica procura o seu lugar entre o presente e o que restou na memoria dun outro tempo diferente. Un percorrido no que escoitamos ocasionalmente ecos fantasmais do pasado que van alén da presenza do eu lírico e que nos deixan a sensación da perda e a necesidade de reencontrar un lugar determinado no mundo. Cunha nostalxia que se filtra paseniño polos versos, pero que apela máis a un cotián perdido que a un elemento concreto, construída delicadamente a través de siluetas, ecos e sensacións e que é consciente da súa propia continxencia. Sen dúbida unha peza interesante que sumar a un presente poético cheo de voces novas e estimulantes.. |
NOS_22885 | O próximo 14 de maio Avelino Pousa Antelo cumpriría cen anos e, para lembralo estase a organizar un acto "de amor e memoria" que terá lugar ese mesmo día ás 19 horas no paseo Avelino Pousa Antelo dos Verxeis, no Concello de Teo. | Unha palabra e unha flor. É o que piden desde a organización a quen asista o vindeiro 14 de maio á homenaxe que se lle vai tributar no paseo que leva o seu nome nos Verxeis, no concello de Teo. Será na mesma data na cumpriría cen anos e, con ese motivo, o "acto de amor e memoria" reunirá ás persoas próximas nun acto afectivo de lembranza. A música virá da man do gaiteiro Raul Galego, de Mini e Mero e de Miro Casabella e no acto intervirán tamén Xoán Xosé Fernández e Esperanza Mariño -moi vencellados a Pousa Antelo- a Mesa pola Normalización Lingüística, coa que el se mostrou sempre comprometido, algún representante da familia e do Concello de Teo ademais de tres nenas da Comunidade de veciños dos Verxeis onde residiu os seus derradeiros anos. Acto aberto e afectivo O xermolo da organización está nas persoas que compoñen a Irmandade Manuel María á que se sumaron algunhas persoas especialmente relacionadas con Avelino Pousa. Un dos promotores do acto é o escritor David Otero, que partillou co homenaxeado iniciativas, propostas e moitos momentos da súa vida. "Naceu o 14 de maio de 2014 e gabábase de ser da quinta do fillo de Castelao", comenta Otero ao tempo que anuncia que van aproveitar a data para presentar a xestora da Irmandade Avelino Pousa que se presentará, xa constituída, en agosto, cando se conmemore o cabodano da súa morte. "Será un acto aberto, ao que se pode sumar todo o mundo, mais queremos que teña tamén ese sentido familiar, de afecto e por iso pedimos que quen asista traia unha flor e unha palabra", comenta, dunha iniciativa que se concluirá tamén en agosto, cando se lea o texto que comporán algúns escritores coas palabras aportadas. Para agosto analizarase a figura do Avelino Pousa político, ao igual que o pasado ano se reflexionou sobre o seu papel como mestre. Para David Otero, co paso do tempo, a figura de Pousa Antelo vaise "expandindo. Como defensor que era da teoría do Partido Galeguista do 36 non teño dúbida do seu compromiso político que pasou do galeguismo ao nacionalismo e moveuse sempre en plataformas como Queremos Galego, A Mesa ou o Bloque e, hoxe non dubidaría da súa militancia en Galiza pola Soberanía", defende. Cun compromiso constante na recuperación da nosa memoria histórica, para David Otero, Avelino Pousa "non estaba situado na nostalxia daquel galeguismo senón no anceio de que a soberanía de Galiza fose unha realidade". |
NOS_9254 | Máis de 50 persoas do sector do I+D+i galego déronse cita en Compostela para pór en común inquedanzas e tratar de artellar unha resposta colectiva. | O día de onte, 29 de febreiro, viu nacer a InvestiGal, Rede Galega pola Investigación. A forxa dun espazo unitario que recolla as demandas dos diferentes colectivos de investigadoras galegas leva meses artellándose a través do diálogos e toma de contacto en diferentes puntos do país. A iniciativa aglutinadora estivo impulsada nun primeiro momento pola Asemblea de Investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela, un dos colectivos que, desde a súa creación en 2017, conseguiu manterse máis mobilizado e concentrar cada vez máis socias, con protestas tan estendidas no tempo como as terzas feiras en negro. Así, o proceso culminou na fundación que tivo lugar no centro sociocultural O Ensanche (Compostela), onde medio centenar de persoas vencelladas ao sector investigador de toda a xeografía galega se deron cita para partillar inquedanzas sobre a precaria e inestábel situación actual do I+D+i na Galiza. Investigal pretende artellar "un novo espazo que loite polos intereses e dereitos do colectivo investigador" Contra isto, Investigal pretende artellar "un novo espazo que loite polos intereses e dereitos do colectivo investigador". Con este fin, a rede ten vontade de "aglutinar a pluralidade de perfís" que se acollen baixo a etiqueta da investigación que, para alén do persoal propiamente investigador, abarca técnicas, xestoras, docentes... Igualmente, a Rede non se limita ás universidades, senón que inclúe centros superiores e organismos públicos de investigación, hospitais, fundacións... Após unha longa xornada de traballo e debate, afirman que conseguiron estabelecer "unha serie de liñas programáticas básicas". Entre elas, destacan a dignificación da propia carreira investigadora, que pasa polo recoñecemento do traballo desenvolvido polas profesionais, o fomento da estabilidade e continuidade laboral, así como a garantía da igualdade de condicións e dereitos laborais. Igualmente, foi unánime o acordo na defensa da igualdade de xénero e na execución de "medidas concretas que rachen co teito de cristal e os diferentes obstáculos que enfrontan as mulleres do sector". Mala xestión de fondos escasos Actualmente, "Galiza só inviste en investigación o 0,94% do seu PIB, mentres que a media europea rolda o 3%", afirman desde a Rede. Ademais, condenan a nefasta xestión dos poucos recursos existentes, froito dunha ausencia de vontade política, o que nos últimos anos provocou que só se gastasen "un de cada catro euros recibidos de fondos europeos destinados á investigación". Nos últimos anos só se gastaron "un de cada catro euros recibidos de fondos europeos destinados á investigación" InvestiGal urxe o goberno a entender a investigación como un motor de enriquecemento do país. Para iso, o colectivo reclama "máis investimento" e unha "mellor xestión" do existente, para alén de "regularidade e transparencia nas convocatorias públicas de contratación" como principais demandas. |
NOS_24146 | As Forzas Armadas foron informadas desta situación en 2019, o que motivou unha investigación que relata como mandos militares aproveitaron a presenza de Portugal en misións da ONU para traficar e branquear o diñeiro resultante do crime. | Cen ordes de busca e dez de detención foron emitidas esta segunda feira pola Policía Xudicial de Portugal en contra dun grupo de militares e varios axentes da policía pola creación dunha rede de tráfico de drogas, ouro e diamantes. Como parte da denominada operación Miríade, producíronse rexistros nas rexións de Lisboa, Funchal, Bragança, Porto de Mós, Entroncamento, Setúbal, Beja e Faro. Tamén foi inspeccionado o rexemento de mando no cuartel da Carregueira, no concello de Sintra, un dos principais obxectivos do persoal de investigación. Entre os sospeitosos detidos hai mandos militares en activo e retirados, así como axentes da Garda Nacional Republicana e da Policía de Seguridade Pública, informou TV1. Misións da ONU Os imputados aproveitaban a presenza de Portugal nas misións da Organización das Nacións Unidas (ONU), particularmente na República Centroafricana, para transportar droga, ouro e diamantes do país -que se atopa no medio dunha guerra interna- en avións militares cara a Europa, aproveitándose de que non son rexistrados. A investigación da Policía Xudicial desvela que, no caso dos diamantes, eran transportados por vía terrestre a Anveres e Bruxelas, en Bélxica, onde procedían a vendelos. Para branquear as ganancias do crime mercaban criptomoedas e utilizaban homes de palla que chegaban a cobrar o 50% do valor para ocultar os movementos financeiros. O xornal Público informa de que as Forzas Armadas coñecían a situación desde decembro de 2019, como confirmou o Estado Maior Xeral, e que, tras comunicarlla ao Ministerio Público, deron comezo ás indagacións do Departamento de Investigación e Acción Penal de Lisboa, que impulsou as detencións xunta a Unidade Nacional de Combate á Corrupción da Policía Xudicial e o xuíz Carlos Alexandre. Neste intre, hai 25 soldados de Portugal na República Centroafricana como parte do programa de adestramento da Unión Europea, e outros 180 dentro da misión da ONU. O secretario de Estado adxunto e da Defensa Nacional, Jorge Seguro Sanches, asegurou que "o que observamos son as institucións a funcionar, a esclarecer aquilo que ten que esclarecer e a actuar nesta situación". |
NOS_34383 | O investigador Mauro Ferrari, presidente do Consello Europeo de Investigación (European Research Council ou ERC), vén de presentar a súa dimisión e renunciar ao seu cargo, ao que accedera o 1 de xaneiro, polo seu desacordo coa xestión da UE para facer fronte á crise da COVID-19. | Ferrari presentou a súa renuncia á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, no día de onte, ante a negativa de Bruxelas de estabelecer un programa científico a grande escala para loitar contra o novo coronavirus. "Decepcionoume moito a resposta europea á COVID-19", indica o investigador, que anunciou a súa decisión nun comunicado remitiro á cabeceira británica 'Financial Times", no que se declara "fervoroso defensor da UE". "Mais a crise da COVID-19 cambiou por completo os meus puntos de vista, aínda que continúo apoiando con entusiasmo os ideais de colaboración internacional ", manifesta. Segundo publica este xornal, a disputa do investigador coa Comisión Europea comezou a principios de marzo, cando Ferrari propuxo un programa especial para combater a crise perante as "evidencias" de que a pandemia sería unha "traxedia de proporcións posibelmente sen precedentes". Creado en 2007 para financiar os mellores equipos científicos de Europa, o Consello Europeo de Investigación converteuse nunha das axencias de financiamento máis prestixiosas do mundo, cun orzamento de ao redor de 2.000 millóns de euros ao ano. "Pensei que, nun momento como este, os mellores científicos do mundo deberían contar con recursos e oportunidades para combater a pandemia, con novos medicamentos, novas vacinas, novas ferramentas de diagnóstico, novos enfoques dinámicos de comportamento baseados na ciencia, para substituír as intuicións, a miúdo improvisadas, dos líderes políticos", razoa Ferrari, e lamenta "a ausencia total de coordinación das políticas de saúde entre os Estados membros". |
NOS_51105 | A presión hospitalaria mantense estábel. | Galiza rexistrou nas últimas 24 horas un total de 357 novos casos de Covid-19 nunha xornada na que se practicaron 8.579 probas PCR (447 menos que o día anterior) que indicaron unha taxa de positividade do 4,8%. O número de hospitalizados sitúase en 352, dous menos que no balance previo. Estes repártense nos 302 que están en unidades convencionais e os 52 que se atopan en críticos -dous menos que o día anterior-. A Coruña e Pontevedra son as únicas áreas nas que soben os hospitalizados nesta xornada. Por tanto, A Coruña continúa como o distrito sanitario con maior número de hospitalizados por Covid-19 con 81, cinco máis que 24 horas antes. Deles, 12 están en UCI -1 menos-. En canto ao balance na detección de casos, Galiza suma 357 novos positivos por coronavirus, o que supón unha caída de 23 respecto ao día anterior. Como é habitual ao longo das últimas xornadas, Vigo e Santiago achegan a maioría dos novos casos detectados. Así, estas dúas áreas suman 183 dos 357 positivos do día, a metade do total. Tanto na área sanitaria de Vigo como na de Santiago baixan os casos detectados en comparación con 24 horas antes. Foron 92 no caso de Vigo -24 menos- e 91 en Santiago -10 menos-. No que respecta a os casos activos -a cifra total de persoas que están diagnosticadas de covid-19-, racha a tendencia dos tres últimos días e o número de pacientes descende en 17: son agora 5.618. Con todo, destaca a evolución negativa na área de Santiago, onde volven a subir os casos activos ata os 1.100, 46 máis que o día anterior. Con todo, unha xornada máis as vítimas mortais da pandemia na Galiza continúa en aumento e son xa 1.327 tras a morte de catro persoas nas últimas horas. Dous delas estaban vinculadas a residencias de maiores. |
NOS_45041 | O BNG espera que se aprobe no outono. | A Mesa do Congreso desbloqueou a tramitación da lei que busca traspasar á Xunta a titularidade e as competencias da Autoestrada do Atlántico, a AP-9, e puxo fin ás sucesivas prórrogas semanais do prazo de emendas. Con iso, o deputado do BNG, Néstor Rego, calcula que a norma podería estar aprobada no outono, se non hai "novas demoras". A lei, que chegou ao Congreso co apoio unánime do Parlamento galego, foi admitida polo Pleno o pasado febreiro e desde entón foi obxecto dunha quincena de ampliacións de prazo. En declaracións aos medios de comunicación desde o patio do Congreso, o deputado galego explicou que o BNG convocou hai uns días aos deputados e deputadas das forzas políticas para abordar "conxuntamente" as posíbeis accións para axilizar o proceso. Tamén solicitou á Mesa que non prorrogase máis o prazo de emendas, xa que ao seu xuízo a lei estívose "dilatando de maneira inxustificada". Finalmente, o órgano de Goberno da Cámara acordou ma tarde desta cuarta feira o prazo de presentación de emendas ao articulado da lei, o que debería reactivar a súa tramitación. O traspaso da AP-9 leva anos reclamándose desde Galiza. O Parlamento galego aprobou un primeiro texto por unanimidade en marzo de 2016, pero tivo que presentar outros dous textos ante o veto do entón Goberno de Mariano Raxoi. Un veto levantado polo Executivo do PSOE após a investidura de Pedro Sánchez en 2018, o que permitiu o seu debate ante o Pleno en decembro dese ano, pero tampouco puido prosperar pola disolución anticipada das Cortes Xerais polas eleccións de abril de 2019. Ademais de pedir a axilización da lei do traspaso, o deputado nacionalista tamén reclamou ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que cumpra o compromiso para pór en marcha "de maneira inmediata" os descontos previstos nas peaxes e criticou que o Goberno os atrase de forma "inxustificada". |
NOS_24387 | As de Lalín impuxéronse ao Estrela Vermelha por 21-29 nun encontro moi disputado. | Herdeiras de Dhais proclamáronse campioas da Liga feminina Galega de Fútbol Gaélico, un título que logran por vez primeira na súa historia. As lalinenses conquistaron o trofeo ao impoñerse este domingo en Compostela ao Estrela Vermelha, que tamén loitaba por erguer o trofeo. Até a capital galega desprazáronse un bo feixe de seareiros dezaos para apoiar as Herdeiras. As Herdeiras impuxéronse por 21-19 nun encontro moi disputado e que se xogou cun gran ambiente de animación nas bancadas. O campión en categoría masculina na liga de fútbol gaélico foi o Estrela Vermelha, que alzou o título a semana pasada. |
NOS_22535 | A Galiza será protagonista con dez representantes na oitava edición que terá lugar entre o 5 e o 8 de maio. | O festival 'Escenas do Cambio' ten programado para esta oitava edición, a realizar entre o 5 e o 8 de maio, catorce espectáculos de dramaturxia, creación artística e danza de vangarda contemporánea. A Galiza volverá a ser protagonista xa que 10 dos artistas ou compañías creadoras son galegos; e á danza, con cinco espectáculos. Oito pezas serán estreas absolutas e catro máis estreas na Galiza. O folk comunitario da vasca Mursego, en Compostela Programación O evento regresa á Cidade da Cultura e a outros puntos de Compostela e da Galiza. O festival inaugurarase coa apertura da mostra 'María Casares-Pedro Soler. Colliure 1989' e fecharase coa compañía galega Voadora con 'Hoax Hamlet'. O día 6, Nieves Correa e Abel Loureda levarán aos exteriores da Cidade da Cultura a peza '(Raíz de dúas)' e ese mesmo día o Espazo 231 da Cidade da Cultura acollerá o espectáculo de danza 'MU-Danza. Unha muller que camiña', de Mercé de Rande. A xornada rematará no Salón Teatro con 'Grasped by Intuition', da portuguesa Tania Carvalho. Cidade da Cultura: soño ou pesadelo? O sábado 7 actuará Miguel Ponce de León con 'Veneficio (de lo cotidiano o cómo remediarlo)' na Igrexa da Universidade. Ese día o Museo Centro Gaiás acollerá unha proposta de creación colectiva baixo o título 'Escenas (Con) Textualizadas'. Para concluír, a Societat Doutor Alonso interpretará 'Hammamturgia'. O 8 de maio programarase a peza de danza 'Que du bonheur(?)/ Moi, Antonio M.', da compañía Man Drake/ Tomeo Vergés no Museo. Tamén esa xornada, Teatro A Usina presentará 'Waterclose'; e no edificio CINC estará o mesmo día Sara Molina, co espectáculo de teatro-danza ' OUTsideINsideOUTside'. Como preámbulo, o 4 de maio, Marc Caellas presentará dous libros vencellados ao festival de 2021. |
NOS_37262 | [ACTUALIZADA ÁS 19.30h] Alberto Pardo Touceda, o galego natural de Pontevedra que as autoridades diplomáticas deron por morto nos atentados desta sexta feira de París, está vivo. El mesmo confirmouno nas redes sociais. Pola outra banda, aumentan a 132 as persoas falecidas. | Por un erro de identificación, as autoridades diplomáticas deron por morto un galego natural de Pontevedra, Alberto Pardo Touceda. As institucións públicas confirmaran a primeira hora da tarde a súa morte. Porén, vén de coñecerse que o galego está vivo. Segundo distintos medios, Alberto Pardo Touceda chegou a falar hoxe coa súa familia, coa que se puxo en contacto hoxe o Goberno central para comunicarlle a morte do pontevedrés. Alberto Pardo, no seu perfil de Facebook: "Eu véxome a min mesmo nestes momentos e diría que estou vivo" Alberto Pardo Touceda desmentiu a súa morte a través das redes sociais, "pois non sei... eu véxome a min mesmo nestes momentos e diría que estou vivo... pero se seguides escribindo cousas tan bonitas sobre min talvez teña que morrer para non deixarvos mal... ademais, se o di El País, é que ten que ser certo". Ademais, un cidadán español dado por morto tamén nos atentados de París, Jorge Alonso de Celada, está vivo segundo a súa familia, que asegura que se puxo en contacto con el vía correo electrónico, segundo publica El Mundo. Polo de agora, ningunha fonte oficial quixo dar explicacións sobre os erros nas identificacións dos falecidos. No mediodía do domingo, o Ministerio de Exteriores elevara de dous a catro a cifra de persoas orixinarias do Estado español falecidas en París, diante da información subministrada polas autoridades francesas. Aumentan as persoas falecidas Segundo as últimas informacións de AFP, que cita fontes hospitalarias, a cifra de persoas falecidas nos atentados de París ascende, a estas horas, ás 132, ao morrer tres das persoas hospitalizadas. Este domingo, diversos municipios galegos, como A Coruña, Ferrol ou Vigo, acolleron concentracións en lembranza das vítimas e das persoas feridas nos atentados perpetrados polo Estado Islámico. |
NOS_25687 | Amorodo agre é unha "elaborada construción dramática, cunha traballada definición dos personaxes, as atmosferas e o xogo simultáneo de diálogos". E é tamén a obra distinguida pola Deputación da Coruña co XIX premio de teatro Rafael Dieste. O seu autor, Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, Asturies, 1975). | A peza inclúe "un arranque impactante que consegue manter a emoción e o interese". E o fallo salienta ademais a calidade da lingua empregada e o tratamento de temáticas complexas. O xurado conformárono a actriz Mabel Rivera, a escritora Marga do Val, o profesor Carlos Vizcaíno, a actriz e creadora escénica Marta Pérez e o gañador da anterior edición, Ernesto Is. Escolleron Amorodo agre de entre 46 obras presentadas. Fernando Castro é filólogo e profesor nun instituto en Cee. Traballa no teatro escolar e afeccionado, e membro do grupo Farándula Velutina. Tamén escribe poesía e narrativa. |
NOS_35292 | A escuadra de hóckey suma no seu 'staff' unha moza con Down. | Hai pouco máis de dúas semanas que Pilar Pouso Ruocco, unha moza con síndrome de Down usuaria da asociación Down Coruña, comezou a traballar como parte do staff do Hóckey Club Liceo. Tras un período de prácticas de dous meses de duración no que demostrou estar máis que preparada para o desempeño das funcións encomendadas, o popular club coruñés contratouna como axudante de Fran Tato, utilleiro do equipo. Así, durante os adestramentos catro días á semana e aqueles sábados nos que o Liceo xoga o seu partido como local, as súas tarefas consisten en levar o material á pista, ir buscar protectores e máscaras, fornecer de augas aos xogadores do equipo e recollelas ao finalizar, ordenar os sticks, devolver as bólas que saen da pista nos adestramentos, fechar as portas da pista, axudar os profesionais ou contribuír nas tarefas de lavandería, entre outras. Esta contratación, dunha duración inicial de seis meses con posibilidade de renovación, foi iniciativa do capitán do Hóckey Club Liceo, Dava Torres, que tras a campaña '1 partido, 1 causa' que dedicaron á asociación Down Coruña mostrou o seu interese en que o club contratase unha persoa do programa de emprego da entidade. Este é o primeiro contrato de traballo que asina Pili e tanto ela como a súa familia móstranse "moi contentas e agradecidas" con esta oportunidade. De igual modo, Down Coruña quere destacar o "interese" mostrado desde o inicio das conversacións co club, que con esta incorporación demostra que "a inclusión laboral das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais é posíbel". A selección galega estará presente no Estatal Sub-14 Cambiando o Deportivo Liceo polo hóckey de seleccións, e a pista pola herba, a Federación Galega da modalidade vén de anunciar que a Irmandiña estará presente no inminente Campionato de España de Seleccións Autonómicas, que se disputará en Zaragoza os vindeiros días 10, 11, 12 e 13 de marzo. O equipo masculino terá como rivais no Grupo A as seleccións de Andalucía e Aragón, mentres que as mulleres agardan ser mellores que as súas homólogas dos combinados valenciano e balear. Precisamente contra estas últimas terá lugar a estrea do combinado galego, o 11 de marzo ás 10.30, exactamente tres horas antes de que fagan o propio os homes ante Aragón. |
NOS_44636 | Este ano fanse 40 anos do pasamento de Sebastián Martínez-Risco Macías (Ourense, 1899-A Coruña, 1977), destacado xurista e escritor que presidiu a Academia Galega desde 1960 até a súa morte; alén de poeta el propio, é autor de varios ensaios en que centra a atención nos nosos vates máis representativos, entre eles Rosalía. Deixamos aquí un extracto da información que publicamos ao respeito no número 245 de Sermos Galiza. | Repasando a biografía do autor de obras poéticas como 14 Nadaliñas (1973) ou Do recuncho amado (póstuma, 1980), sorpréndenos o dato de que en 1917 –outro centenario–, con apenas 18 anos, impartiu unha conferencia sobre a nosa máis destacada escritora en Zaragoza, onde na altura estudaba Dereito. Desde moi novo mostra, pois, Sebastián Martínez-Risco o seu interese e admiración pola autora de Follas novas, un referente de galeguidade que o vai acompañar ao longo e largo da súa vida, xunto coa para el inesquecíbel lembranza de Castelao. Son os bustos deste e de Rosalía os que custodian a entrada no Centro Galego de Bos Aires, que Sebastián visitou como convidado de honra das súas Xornadas Patrióticas Galegas en 1961 e 1975, e onde tivo ocasión de lembrar o significado destes dous símbolos da nación galega, tamén –ou nomeadamente– na Galiza emigrante e exiliada. No entanto, quería referirme agora a un evento rosaliano acontecido en meados de xullo de 1951, que deu a Martínez-Risco nova oportunidade de falar en público sobre a autora. Foi en domingo estival cando o Padroado Rosalía de Castro organizou un roteiro de peregrinaxe polos lugares rosalianos da Maía e as terras de Iria. Segundo recollen os xornais da altura, a caravana estaba constituída por dous autobuses e varios vehículos particulares; a primeira parada é en Ortoño, aldea onde Rosalía pasou os primeiros anos de vida. Lestrove será outra estación obrigada; e na proximidade das Torres de Ermida, ao pé dun grande albedro baixo cuxa sombra protectora tería escrito Rosalía algúns dos seus versos, falou Sebastián sobre a relación franciscana entre a autora e a irmá chuvia; deste feito conserva a familia proba gráfica documental. [Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 245, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais] |
NOS_34019 | O alcalde da Coruña e líder da Marea Atlántica exteriorizou esta segunda feira o seu desgosto coa conformación da nova dirección de En Marea. Critica que se rache "unha lista de consenso e confluencia" e que se exclúan "sensibilidades maioritarias". | En declaracións á imprensa esta segunda feira na Coruña, recollidas por Europa Press, Xulio Ferreiro criticou que "18 persoas" -o número das que no seo do Consello das Mareas votaron a prol de Luís Villares como portavoz orgánico- modifiquen "documentos políticos que gañan unhas primarias e receben un apoio de centos de persoas". "Nunha organización sá e democrática non debería ocorrer", acrecentou. A xuízo de Ferreiro, o proceso que levou a conformar a dirección da confluencia "non responde ao proxecto político de En Marea tal e como foi concebido na súa orixe" ao deixar fóra "sensibilidades importantísimas, diría maioritarias", entre as que citou a Marea Atlántica, Anova e Esquerda Unida. A escolla da executiva liderada por Villares sería, dixo, un "paso contrario" aos documentos aprobados na asemblea constitutiva de En Marea realizada en xullo pasado na cidade de Vigo. Inquirido por un xornalista a respeito de se o disenso coa forma en que se constituíu a dirección podería resultar na saída de En Marea da confluencia, Ferreiro desbotou tal hipótese e advogou pola perspectiva de "traballar dentro". "O órgao de dirección política de En Marea non é a coordenadora nen o consello, é o plenario, e debe ser no plenario onde se dean as grandes discusións e co sentido maioritario", declarou. |
NOS_4454 | A veciñanza do barrio dos Mallos na Coruña leva meses mobilizada para que o concello responda cunha poda diante da ameaza e a molestia que xeran tres enormes árbores de "libre crecemento". As protestas sucédense cada ano desde hai lustros á espera dunha resposta. Polo visto, está mal visto cortar árbores e calquera político foxe da foto cunha serra na man. | Non hai que buscar moito. A Wikipedia informa de que o plataneiro, a árbore (platanus hispanica), presenta algúns problemas. "As folhas jovens e as sementes libertam pelos curtos que são irritantes quando inalados e provocam alergias e problemas respiratórios a pessoas com asma", advirte o dicionario na rede. E engade: "outro problema é a acumulação de folhas no outono; por serem resistentes, podem demorar mais de um ano a decompor-se se não forem limpas. As raízes podem causar problemas nas edificações e nos pisos das ruas e passeios". Os veciños da praza de San Vicente, no barrio dos Mallos, na Coruña viven baixo tres xigantes plataneiros que foron plantados a comezos dos anos setenta no pequeno espazo triangular da confluencia da rúa Cabanillas coa rúa San Vicente. E quéixanse, levan lustros facendo, de que as árbores son unha molestia cada vez menos soportábel. En María Pita ninguén lles fixo caso. "Unha vez veu por aquí Losada [Javier Losada, alcalde socialista entre 2006 e 2011] e díxonos que estas árbores estaban ben porque axudaban a depurar o ambiente", conta unha veciña, Fe, que traballa nunha inmobiliaria a pé da praza e en tres minutos reúne a media ducia de veciñas e veciños. "Aquí estamos todos polo mesmo, xa non sabemos que máis facer, con quen máis falar, estamos fartas, ninguén nos escoita". Os plataneiros son árbores de libre crecemento e na praza de San Vicente hai tres, miden máis de 25 metros de altura, por riba dun sétimo piso. As copas en primavera teñen máis de 15 metros de diámetro e cobren toda a praza, mesmo as rúas e parte das beirarrúas. Agora, en setembro, o manto de ramas grosas que ceden ao peso das follas dóbrase sobre o teito dos coches. A praza fica nunha penumbra a maior parte das horas de luz. Hai anos que a sombra dos plataneiros deixou de ser agradábel, o demais sempre foron problemas, máis grandes a medida que as árbores medraban, salvaxes. Carme ten unha tenda de roupa na rúa Cabanillas, a escasos cen metros da praza. "Hai épocas do ano que cando sopra o vento de abaixo", explica, "os froitos, uns grans, ou o pole enchen todo pola rúa arriba, e temos que estar todo o día a limpar". "Nós botamos todo o día a espirrar, non sei se é por isto", di Aurora, desde a fiestra da sala de estar da súa casa, un segundo piso, no que leva 45 anos vivindo e vendo crecer as árbores, as ramas case se tocan . "Antes este era un piso moi luminoso, con tres habitacións cara á praza. Agora xa ve, é mediodía e por pouco inda temos que prender a luz". En marzo pasado houbo unha manifestación, un cento de persoas, viñeron os fotógrafos, as xornalistas, a denuncia estivo un par de días nos medios e esqueceuse. "Pasa sempre", explica José Salgado, da asociación de comerciantes, "protestamos, mandan aos técnicos, din que non se poda e chega a primavera e isto empeza a medrar e logo o inverno e os problemas". Este ano acompañaron a queixa na rúa co rexistro de case mil sinaturas recollidas sen ter que separarse moito da praza. Carlos, barbeiro, que abriu o negocio en 1970 e viu plantar as árbores, e viunas medrar, con podas, funcionais ao principio porque comezaban a dar sombra no verán, resume a cuestión: "Parece que está mal visto dicer que se corte unha árbore, pero nin sequera estamos pedindo iso, só que as poden e que rebaixen a altura, cando menos até un primeiro ou un segundo piso". Da concellaría de Medio Ambiente non hai noticias desde maio. Despois da protesta mandaron os técnicos, fixeron analíticas ás árbores e concluíron que gozaban de boa saúde. Respecto da necesidade dunha poda, "tras realizar unha inspección ocular, emitiron un informe conforme non atoparon ningunha rama que revestise incidencia algunha", explicou daquela o departamento de Medio Ambiente. Mais esta semana o concello non foi quen de actualizar aquela valoración a respecto da demanda das veciñas e veciños de San Vicente. "Non pode ser bo para a saúde" No mapa de arborado municipal, en todo o barrio e arredores non hai exemplares destas dimensións fóra do parque de Santa Margarida, e alí, nos temporais dos últimos féchanse zonas e mesmo se cortaron árbores polo perigo que representaban para os peóns. Os plataneiros da praza de San Vicente medran salvaxes protexidos entre edificios dos anos setenta e gobernan o espazo diante da desidia das autoridades. "Até que pase algo moi grave", apunta Carlos que lembra un par de accidentes na rúa, "unha rama que bateu na cabeza dunha muller e comezou a sangrar, e outra señora, que esvarou polas follas e rompeu unha perna". Dúas rapazas dunha tenda de doces da praza e o propietario dunha cafetería na rúa Cabanillas súmanse ao grupo de veciñas para mostrar a súa frustración. "Isto é un problema desde hai dez ou doce anos e ninguén fixo nada. As veces parece que neva en primavera, outros días tes o chan amarelo, despois caen as follas e as rúas parecen pistas de patinaxe, terían que estar a varrer todo o día e non darían feito, estas árbores xigantes soltan lixo todo o tempo, iso non pode ser bo para a saúde". "Unha vez", conta Fe, a da inmobiliaria, "puxeron un valado, apareceu moita xente en roupa de faena, sería no 2012 ou no 2013. Eu pensei que por fin… pero que va… cortaron as gallas un pouco por abaixo e recolleron rápido". "Esa debeu ser a última vez que fixeron algo", di Salgado, "nós preguntamos á xente que sabe disto e o que nos dixeron e que os plataneiros pódense podar moito e sen problema, que rebrotan sen dificultade". Os plataneiros máis altos e grosos da cidade están nunha praza triangular de non máis de setecentos metros cadrados, os perímetros das copas, segundo os rexistros municipais de hai tres anos, sumaban case seiscentos metros. En calquera outro espazo, parque ou estrada ampla, o risco para os peóns ou a circulación de vehículos aconsellaría algo máis do que "podas selectivas", "que é o que nos ofrecen sempre desde o concello", protesta a veciñanza. O libre crecemento, nun entorno urbano denso, converteuse nun crecemento moi agresivo. "Vivimos nunha praza salvaxe e trátannos como salvaxes", láiase Carme baixo os plataneiros, uns veciños indesexábeis. |
NOS_57475 | Ducias de persoas amosan, a través de rechíos, a súa preocupación polo uso do galego en caixeiros dun centro comercial de Vigo. A advertencia dos erros xurdiu por parte dun usuario que lamentou que as grallas sempre aparezan na lingua propia. A Mesa pola Normalización Lingüística xa se ofreceu a levar adiante esa denuncia. | O incorrecto uso do galego volve ser motivo de crítica nas redes sociais. Nesta ocasión non foi unha institución pública a que cometeu o erro, pero si foi detectado nun lugar público polo que pasan milleiros de persoas. Un usuario dun caixeiro dun centro comercial de Vigo tomou unha fotografía dun cartel indicativo que atopou na máquina para retirar cartos. Malia que o escrito en castelán tamén ten algunha gralla, a maioría dos erros nunha frase simple atópanse na lingua propia do país. De feito, o tuiteiro fai unha reflexión considerando que os erros "cando se escribe en dúas linguas, sempre están no texto en galego". #Vigo | "Bilingüismo filarmónico". Os erros, cando se escribe en dúas linguas, sempre están no texto en galego. Sempre. pic.twitter.com/CufqirOKZk— A l e j a n d r o 🦀 (@AlexCostasVila) October 10, 2021 Acompaña a mensaxe dunha fotografía na que se pode ler "Se desexa recibo pulse 'se quero'". No seu lugar debería aparecer "Se desexa recibo prema 'si quero'". O denunciante, que recibiu unha mensaxe da Mesa pola Normalización Lingüística animándoo a facer unha denuncia polo mal uso do galego, remarcou que o problema é común en todos os caixeiros do centro comercial vigués ao que acudiu. Mesmo chegou a apuntar aos erros dun posíbel tradutor automático, ao igual que fixeron outras persoas que chiaron a súa denuncia. Ao tempo que A Mesa propuña tamén pelexar para que a lingua "resaltada sexa a galega", outras persoas comentaban con certo malestar tanto os problemas na escrita nas dúas linguas como o sentimento que producen o considerado como un desleixo co idioma da Galiza. "É moi ofensivo, como galegofalante, atopar sempre estas cousas. Sempre os erros no galego", resumiu @AlexCostasVila. |
NOS_70 | A Academia Galega do Audiovisual (AGA) e as catro deputacións galegas premian a excelencia na investigación científica no ámbito audiovisual convocando a cuarta edición dos Premios María Luz Morales, que foron presentados no marco do Culturgal. | A Academia Galega do Audiovisual (AGA) e as catro deputacións galegas premian, un ano máis, a excelencia na investigación científica no ámbito audiovisual convocando a cuarta edición dos Premios María Luz Morales, que foron presentados no marco do Culturgal. O evento contou coa presenza de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, que será a anfitrioa da entrega de premios da presente edición, e que estivo acompañada por Aurelio Gómez, asesor de Cultura da Deputación de Ourense e Pepe Coira, vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual. Coira reivindicou os dous obxectivos principais destes premios: "Descubrir a figura de María Luz Morales e propiciar o coñecemento e a investigación no eido audiovisual, o que constitúe unha das razóns de ser da Academia". Pola súa banda, Aurelio Gómez quixo destacar o "valor" da colaboración entre as catro deputacións para a posta en marcha desta convocatoria, así como a "importancia" do traballo conxunto para materializar proxectos a prol da cultura. A presidenta da Deputación de Pontevedra resaltou a "grande revolución" que vive o audiovisual galego a todos os niveis", e agradeceu á Academia que recuperase o nome de María Luz Morales e que "sacase do silencio a mulleres que tanto teñen aportado á nosa cultura". As persoas interesadas en participar na presente edición dos premios, poden presentar os seus ensaios escritos ou os seus videoensaios sobre temática galega e internacional por correo electrónico até o próximo 3 de maio, segundo recollen as bases, que xa están publicadas na web da Academia. Os traballos gañadores recibirán un galardón e 1.200 euros como recoñecemento. |
PRAZA_3563 | 29 dos positivos xa foron confirmados e outros 15 están pendentes dunha segunda análise. A cidade herculina chega a 29 casos, a maior parte relacionados cun centro social que xa foi clausurado. Vigo rexistra 6 casos, Pontevedra 4, e Lugo e Ourense 2 en cada área sanitaria | A Coruña chega a 29 casos, a maior parte relacionados cun centro social que xa foi clausurado. Vigo rexistra 6 casos, Pontevedra 4, e Lugo e Ourense 2 en cada área sanitariaO número de persoas infectadas polo Covid-19 en Galicia elévase a 44, segundo as últimas cifras ofrecidas pola Consellería de Sanidade. 29 dos positivos xa foron confirmados e outros 15 están pendentes dunha segunda análise. A Coruña chega a 29 casos, a maior parte relacionados cun centro cívico que xa foi clausurado. Vigo rexistra 6 casos, Pontevedra 4, e Lugo e Ourense 2 en cada área sanitaria.Dous dos doentes atópanse na UCI, en estado grave pero estable. Trátase dun home de 81 anos ingresado na Coruña e do primeiro paciente contaxiado en Vigo, un home de 43 anos. Outras 17 persoas están ingresados nos hospitais, pero en unidades convencionais. Os restantes 25 atópanse nas súas casas, con síntomas leves. As idades das persoas contaxiadas van dende os 15 ata os 92 anos. 16 dos 44 casos teñen máis de 65 anos. Un dos dous casos de Ourense corresponde a un médico do hospital da cidade (CHUO), que xa deu positivo na primeira análise e que está pendente da súa confirmación polo Centro Nacional de Epidemioloxía de Majadahonda. No CHUO outros seis traballadores atópanse en illamento domiciliario por prevención. Tamén como medida de prevención acordouse este mércores o peche temporal dunha das aulas da Escola de Idiomas da Coruña, onde se rexistrou un dos casos.Dous dos doentes atópanse na UCI, en estado grave pero estable. Outras 17 persoas están ingresados nos hospitais, pero en unidades convencionais. Os restantes 25 atópanse nas súas casasDende o comezo da crise o Sergas levou a cabo 476 probas para detectar a presenza do virus, das que 432 deron un resultado negativo. Os representantes da Consellería detallaron a existencia de catro grandes focos, nos que se están aplicando os protocolos recomendados para controlar a expansión da enfermidade. O máis importante, con gran diferenza é o do Centro Civico de Feáns, na Coruña, que por si só atinxe a máis de 20 persoas. O centro foi clausurado este luns, e onte martes procedeuse á súa completa desinfecciónDende a Consellería de Sanidade prevese que nos vindeiros días, unha vez superado o periodo de 14 días que adoita durar a infección, se comecen a dar altas aos pacientes que están a presentar síntomas leves e se atopan nos seus domicilios.Na rolda de prensa na que se ofreceron os últimos datos, o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, detallou algunhas das accións que o Sergas está a poñer en marcha para limitar o número de persoas que teñen que acudir a Centros de Saúde e Hospitais para consultas non urxentes nin graves. Neste senso, promóvense as consultas telefónicas, pensando sobre todo nos pacientes máis fráxiles, de maior idade, inmunodeprimidos ou con outras patoloxías. Así mesmo, lémbrase que o teléfono específico para as persoas que sospeiten estar afectados polo coronavirus é o 900400116. E pídese deixar o 061 para outro tipo de afeccións e urxencias.Promóvense as consultas telefónicas, para evitar a presenza nos centros de saúde e hospitais dos pacientes máis fráxiles, de maior idade, inmunodeprimidos ou con outras patoloxíasA Consellería de Sanidade dispón dun plan de continxencia preparado para o momento en que medre notablemente o número de afectados polo coronavirus. O plan prevé o reforzo de recursos e o adiamento de procesos e operacións cirúrxicas non urxentes. Con todo, dende o Sergas lémbrase que polo momento o número de afectados polo coronavirus que necesitan de atención hospitalaria (menos dunha vintena) é aínda moi reducida. Neste senso, o conselleiro Jesús Vázquez Almuíña lembrou que na última campaña da gripe o número de persoas ingresadas superou amplamente as mil, e que nos días de pico da enfermidade tamén se tiveron que aprazar algunhas intervencións non urxentes.Así mesmo, a Xunta e a Fegamp reuniranse este mércores para afondar na coordinación entre administracións para activar medidas que permitan limitar os contaxios. Ademais, quérese trasladar aos concellos toda a información necesaria sobre a situación en Galicia, así como sobre as medidas que se están impulsando desde a Xunta.O cálculo que realizan os expertos é que o pico da enfermidade acadarase en Galicia durante os primeiros días de abril e que a enfermidade duraría dous meses no mellor dos casosO cálculo que realizan os expertos é que o pico da enfermidade acadarase en Galicia durante os primeiros días de abril. E dende o Ministerio de Sanidade realízanse cálculos de que a infección podería durar "entre mes e medio e dous meses" no escenario máis optimista e "entre catro e cinco meses" no escenario máis pesimista.Este martes o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, anunciou que a entidade modificou a consideración do COVID-19, que pasa a cualificar xa como unha pandemia. "Estamos preocupados polos niveis alarmantes de propagación e polos niveis alarmantes de inacción", sinalou.A OMS cualifica xa o Covid-19 como unha "pandemia"O número de positivos en Galicia duplicouse nos dous últimos días, pero segue moi lonxe das cifras das comunidades máis afectadas: Madrid (1.024 casos), Euskadi (261 casos, 201 deles en Álava) e A Rioxa (179). No conxunto do Estado o número total de contaxios situouse xa nos 2.188, dos que 1.956 permanecen activos, con 183 pacientes xa recuperados. Ata o momento producíronse 49 mortes, 31 delas en Madrid e case todas correspondentes a persoas de idade avanzada. |
NOS_7962 | O grupo denominado co título da canción falanxista foi 'premiado' no concurso dos 'xantares' por un xurado composto por tres cregos. Outro dos premios foi para un grupo que lucía enormes bandeiras de España | Baralla, o concello lucense cuxo alcalde afirmou que @s fusilad@s polo franquismo merecíano, volveu esta fin de semana a poñer a 'memoria franquista' en primeira liña. Foi, segundo conta La Voz de Galicia, no marco das súas festas patronais. Como é tradición, familias e grupos de amig@s reúnense para un xantar no que un xurado valora e premia aquelas 'papatorias' que entenden que son mellores entre os grupos que participan nesta iniciativa. Nesta ocasión, o xurado estaba composto por tres cregos. Quizás por ser esta unha profesión na que tradicionalmente de 'papatorias' sabían un pouco bastante. Baralla Saudí Pois ben. Conta La Voz de Galicia que á hora e emitir o veredicto, o que fixo o alcalde (o da frase xustificadora dos asasinatos franquistas). O primeiro premio foi para un grupo que se denomina Baralla Saudí, nome propio daquel 'Abdul' dos Resentidos. Na súa caseta, dúas xigantescas bandeiras de España para deixar claro que para saudís, saudís, os españois. O segundo premio recaeun un grupo denominado A Condomiña (Neira de Rei). E o terceiro foi para o fato denominado 'Cara al Sol', o himno da Falange Española de las Jons, composto en 1935 por un grupo de escritores fascistas a petición de José Antonio Primo de Rivera. O propio alcalde de Baralla, González Capón (PP), quixo quitar ferro ao asunto, dicindo, despois de repetir en varias ocasións o nome do grupo, que "hoxe temos un día espléndido e danos o sol". |
NOS_26435 | A CIG congregou este mediodía centos de persoas contra os tratados internacionais de comercio que terán "graves consecuencias nas nosas condicións de traballo e na nosa calidade de vida", en palabras do secretario xeral, Suso Seixo. | Ao berro de "Nin CETA co Canadá, nin TTIP cos Estados Unidos!", centos de persoas mobilizáronse este medio día coa CIG nas concentracións organizadas nas cidades e vilas do país en contra dos tratados internacionais de comercio CETA e TTIP. En declaracións aos medios na protesta de Compostela, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, advertiu das "graves consecuencias" que terán os tratados para "as nosas condicións de traballo e a nosa calidade de vida". Denunciou o "secretismo" co que están a ter lugar as negociacións, por iso salientou a necesidade de dar a coñecer estes tratados e de chamar a atención sobre a sociedade galega. As grandes corporacións económicas e os partidos políticos que defenden os seus intereses, salientou, xustifican os tratados alegando que suporán crecemento económico e creación de emprego. Estas xustificacións representan "un engano á opinión pública" ao estar, "ben lonxe da realidade". O secretario xeral da CIG alerta de que "é fácil que se dea destrución de emprego en moitos sectores incapaces de competir cos produtos das multinacionais norteamericanas e que o que se cree sexa en precario, con baixos salarios e con moitos menos dereitos". Amais das consecuencias negativas no traballo, sinalou que outras medidas como a supresión de aranceis "poden afectar moi directamente ao noso sector agrogandeiro". Na mesma liña, sinalou que os Estados poden verse demandados diante de tribunais de arbitraxe privados por parte de multinacionais que se sintan prexudicadas nos seus beneficios. "Estamos a falar dunha harmonización á baixa, tanto da lexislación presente como futura, con graves consecuencias e prexuízos canto a perda de dereitos e calidade de vida para a clase traballadora e para a cidadanía en xeral", alertou. Fronte a isto, chamou a "informar, concienciar e mobilizarse", pola importancia que ten o coñecemento por parte da opinión pública". Suso Seixo reclamou a soberanía para as nacións, co fin de que os Parlamentos sexan "realmente representativos". Isto é fundamental, subliñou, no caso de nacións sen Estado como Galiza, co fin de acadar a "absoluta competencia en todas as materias". Só así, engadiu, poderanse desenvolver "políticas económicas e sociais máis favorábeis á clase traballadora sen ter que depender das decisións que ao respecto adopten institucións como a UE ou o BCE, que están totalmente controladas polo capital financeiro". As concentracións da CIG coincidiron coa manifestación convocada en Bruxelas como colofón a unha semana de protestas en diferentes cidades europeas. |
NOS_15453 | As abellas son a primeira vítima do cambio climático. | O cambio climático está a provocar a experiencia de fenómenos meteorolóxicos a destempo, como sarabias ou xeadas, ou variacións bruscas de temperatura, como a seca que caracterizou os meses de xullo e agosto. Estes cambios meteorolóxicos están afectando a todos os seres vivos do planeta, entre eles ás encargadas de permitir o desenvolvemento habitual da biodiversidade e a produción de froitos para o noso consumo: as abellas. Lucía Afonso, apicultora: "Isto é o que queda de colmeas que estaban polinizando, purificando o aire, producindo mel..." Aumento da mortalidade das abellas O sector apicultor leva anos advertindo do aumento da mortalidade das abellas galegas que xa chega a 40%, cando hai un par de décadas a mortalidade era só de 10%. Así o asegura Xesús Asorei, activista en defensa das abellas do colectivo Máis que mel, quen explica a Nós Diario que "en 1999 cuantificouse a produción de mel por colmea ao ano en 22 quilos, mentres que agora xa se fala dunha media de 10 quilos". "En 1999 cuantificouse a produción de mel por colmea ao ano en 22 quilos, mentres que agora xa se fala dunha media de 10 quilos" Asorei critica que as Administracións públicas poñan en cuestión estes datos argumentando que "hai máis colmeas, pero isto non significa que a produción sexa maior". De feito, segundo explica o activista, "hai apicultores e apicultoras que agora teñen 800 colmeas ou máis e que producen o mesmo mel que antes con 500". A importancia das abellas O apicultor indica que "as abellas din moitas cousas" en relación á situación da contorna, referíndose a que estes insectos resultan un bo bioindicador do estado da natureza. O incremento da mortalidade das abellas débese ao cambio climático pois "mudou o seu ciclo biolóxico" que até agora transcorría con normalidade en paralelo ás estacións do ano, sostén Asorei. O cambio climático mudou o ciclo biolóxico das abellas Así, a seca deste verán e os numerosos incendios prexudicaron en gran medida o desenvolvemento vital das abellas. Ademais, esta climatoloxía tamén provoca que as plantas florezan a destempo, que non haxa néctar nas flores e que as colleitas empeoren. Apicultores galegos lamentan a perda de miles de colmeas "improdutivas durante anos" Habitualmente, relaciónanse as abellas coa produción de mel, mais o seu labor fundamental é o de polinización. "A polinización permite a reprodución das plantas, o mantemento da biodiversidade e a produción de alimentos, todo está relacionado coas abellas" e, sen elas, os ecosistemas "van en declive", conclúe Asorei. Os danos das velutinas Por outra parte, a seca que marcou o verán galego afectou tamén as avespas velutinas, que xa son "unha especie máis totalmente asentada". As velutinas non só resultan perigosas para as persoas, senón tamén para as abellas do país pois "é unha especie exótica e invasora". O activista explica que agora "as velutinas están collendo abellas para levar cara aos seus niños e alimentar as crías". Como podo comunicar que teño un niño de velutinas no meu fogar? Tanto para evitar a perda de abellas do país como para frear a expansión das velutinas, Asorei indica que é fundamental a investigación. Cómpre elaborar "métodos de control ecolóxicos" para acabar coas avespas alóctonas, quizais mediante "algunha substancia, un fungo ou unha bacteria, que funcione de cebo para que as velutinas a leven ao niño e así desaparezan". Asorei sostén que non se investiga o suficiente no tema porque "non interesa economicamente" e advirte que tanto as Administracións como as universidades deberían levar a cabo un maior número de investigacións serias ao respecto. |
NOS_53566 | Unha campaña de sinaturas solicita ás grandes cadeas YELMO, CINESA, KINEPOLIS e CINEBOX que programen esta película galega. O director denunciou que tiña un contrato para 80 salas e a distribuidora facilitou só 25 en todo o Estado español. | 'O Apóstolo', a primeira película de animación stop-motion estereoscópica realizada en Europa, ten serios problemas de distribución. Fernando Cortizo, o director, denunciara hai uns días que a distribuidora incumprira o contrato cando tiñan preparado todo para a súa estrea en 80 salas. Despois de preparar unha gran campaña de promoción coincidindo coa noite do 31 de outubro na maior parte de cidades do Estado español a película chegou só a 25 salas. Agora xurdiu unha iniciativa na rede para exixir ás grandes cadeas (YELMO, CINESA, KINEPOLIS e CINEBOX) que faciliten o acceso ao público a esta película que xa triunfou en varios festivais internacionais. A petición de sinaturas pódese ver aquí. |
NOS_53122 | 55,8% das persoas consultadas cre que cómpre evitar o contacto coas persoas xa curadas. | A pandemia de coronavirus repite na África subsahariana patróns que xa se detectaran en brotes anteriores doutras enfermidades como o estigma das persoas contaxiadas ou a difusión de rumores, segundo unha enquisa da ONG Save the Children, que chamou a combater non só a COVID-19 senón tamén a desinformación. Máis de 3.000 entrevistas corresponden a Somalia, onde tres cuartas partes recoñecen que apenas saben nada sobre a doenza. 42% cre que é unha campaña do Goberno, mentres que 27% considera que crea un estigma contra minorías e 32% pensa que sinala os estranxeiros. Noutros casos, como en Zambia, a maioría non tiña claro como evitar o contaxio. 69% por cento di que basta con cepillar os dentes a diario, e 43% cita o consumo de alcol como profilaxe. O medo a arrastrar un estigma, que xa se deixou notar noutros brotes epidémicos como o ébola, pode levar a que posíbeis doentes eviten acudir ao médico por se ver sinalados, tanto durante como despois de pasar a COVID-19. 55,8% das persoas consultadas cre que cómpre evitar o contacto cos xa curados. O estigma esténdese tamén máis aló do enfermo, como relatou Aissata Boucoum, activista de Malí que recolleu o testemuño dunha amiga "acosada" despois de que o seu tío perdese a vida tras volver do estranxeiro e ser considerado un caso sospeitoso da COVID-19. O director de Campañas de Save the Children para África, Eric Hazard, cualificou de "moi preocupantes" os patróns de estigmatización, e advertiu de que "a desinformación e os mitos" complican a aplicación de medidas que realmente eviten a expansión da enfermidade. |
NOS_23255 | Cada traballo centrarase nun dos temas semanais que se proporán entre o 5 de outubro e o 1 de novembro: a efeméride do Día da Nena; a vida e a obra do protagonista do Día das Letras Galegas 2020, Ricardo Carvalho Calero; o Samaín e mais o coidado do medio natural. | A Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié convocan a través da web do Portal das Palabras o concurso Olla a Palabra do Día! A iniciativa, dirixida aos centros de educación infantil, primaria e secundaria, repartirá oito premios entre os traballos do alumnado que lles poñan imaxes aos termos da sección Palabra do Día publicados na plataforma durante o mes de outono. Cada traballo deberá centrarase nun dos temas semanais que se proporán entre o 5 de outubro e o 1 de novembro, centrados, por esta orde, na efeméride do Día da Nena; a vida e a obra do protagonista do Día das Letras Galegas 2020, Ricardo Carvalho Calero; o Samaín e mais o coidado do medio natural. As bases do concurso poden consultarse na rede. O certame pretende "promover a difusión do léxico galego e, ao mesmo tempo, potenciar a creatividade, a capacidade de síntese e a aprendizaxe de conceptos mediante o chamado pensamento visual, que consiste en converter en imaxes sinxelas e recoñecíbeis todo tipo de conceptos e ideas", destacan as entidades organizadoras. A convocatoria ponse en marcha coa colaboración do colectivo docente Galiza Visual, que promociona esta ferramenta didáctica nas aulas de todos os niveis. O apartado da Palabra do Día adoita ter unha unidade temática semanal e cada termo acompáñase non só do significado da acepción en cuestión, senón que tamén indaga nas súas orixes e ofrece exemplos de uso tirados de obras da literatura e medios de comunicación galegos que engaden elementos inspiradores para as persoas que desexen participar no reto de traducir as palabras á linguaxe visual. |
PRAZA_9556 | Ser libre non é fácil. Menos en tempos nos que os fantasmas da longa noite son acirrados aquí e alá para espallar o medo e a sospeita | Ser libre non é fácil. Menos en tempos nos que os fantasmas da longa noite son acirrados aquí e alá para espallar o medo e a sospeita e endurecer de novo as olladas e os corazóns da xente que ao lonxe espreita. Parece así que a vella idea da historia sempre se repetir dúas veces, primeiro como traxedia e logo como farsa, cobra nova luz nestes días que nos toca vivir. Se cadra é por iso que unha lexión de artistas vén sendo convocada ultimamente perante os tribunais para daren conta das súas sátiras e das súas impertinencias e que o tecido cultural é difamado en tribunas e medios armados en nova inquisición. Manifestemos, como xentes do teatro, a nosa perplexidade. Que ten de perigoso o teatro, e por extensión a cultura, para alentar semellante caza de bruxas?Ser libre non é fácil. Menos en tempos nos que os fantasmas da longa noite son acirrados aquí e alá para espallar o medo e a sospeitaXa os franceses, no século XVIII, tentaron amputar o teatro do seu ferrete diabólico, e inventaran a palabra "obsceno", literalmente "fóra de escena", para designar todo o que debía ser excluído do palco en aras do decoro e o bo gusto, tal que homicidios, incestos, blasfemias, equívocos sexuais e toda a ladaíña de miserias morais que o teatro grego instaurou hai dous mil quiñentos anos como asunto propio do teatro. Era claro para o público grego que nin deuses nin deusas estaban libres de pecado e que, dito en grosa prosa, o espectáculo da corrupción moral das elites era o grande estímulo que enchía de xente os teatros. É por iso que aínda temos teatro, e aínda temos entroido, ese espazo de transgresión no que a cultura popular atopou a maneira de se subtraer unha vez ao ano ás imposicións narrativas do poder. Por imposicións narrativas enténdese, obviamente, o relato do que nos obrigan a ser e a pensar que somos.Con todo, non contaban os franceses do século das luces co xenio inglés. A recepción na Francia ilustrada do teatro de Shakespeare, hoxe modelo por excelencia do teatro universal, foi un auténtico escándalo, pola súa mestura explosiva de altas e baixas paixóns sobre o palco. Incluso un home tan tolerante como Voltaire, non por acaso o primeiro pensador en formular os principios da liberdade de expresión e de pensamento en Europa, ficou abraiado pola selva de burlas lascivas, chistes malos e indecentes groserías das que Shakespeare rodeaba os seus versos máis brillantes. Foi Anxo Rei Ballesteros, entre nós, quen mellor esclareceu esta dialéctica entre o obsceno e o sublime, no seu magnífico ensaio sobre Hamlet, Tempo e Vinganza, como a marca da fractura temporal da que nace a propia sociedade moderna. The time is out of joint. O tempo está desgonzado. O que quere dicir, entre outras cousas, que obrigarnos a vivir e crear baixo as leis implacábeis do mercado, e ao mesmo tempo, esixirnos un comportamento rexido pola culpa interior e as censuras da moralina reaccionaria é simplemente ridículo, cando non probadamente hipócrita. Quen así o queira propor, que o propoña, a poder ser en eleccións libres e democráticas e non en libelos e tertulias de estómagos agradecidos, pero saiba que o teatro, independentemente da deriva política, fará sempre a súa sátira, como ben esixían os poetas latinos. E non porque no teatro nos asista un excepcional dereito de ser libres, senón porque o teatro é xa, de seu, un exercicio soberano da liberdade.Non se entrega unha vida ao teatro porque si. Hai un compromiso esencial que mantén viva a nosa paixónDicía Pier Paolo Pasolini, un creador procesado mil veces polos tribunais de orde pública, que non escribira máis pezas teatrais porque sentía que o teatro esixía dedicarlle toda unha vida. É certo, e así o confirman as vidas de compañeiros como Xan, Ernesto, Gustavo, Mario, Xosé Lois ou Manu, que recentemente nos deixaran. Non se entrega unha vida ao teatro porque si. Hai un compromiso esencial que mantén viva a nosa paixón. E ese compromiso é precisamente o de ter a coraxe obscena de expresar o que a sociedade moitas veces non quere, ou non pode, ver nin escoitar. Sexamos pois coherentes con tal compromiso e como nos pedía o propio Skakespeare enfrontemos a nosa época tal e como ela se nos presenta. Viva o teatro e vivan os homes e as mulleres libres que o fan posíbel. O Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro, escrito este 2019 por Carlos Santiago, será lido polo autor durante a gala dos premios María Casares, o vindeiro xoves 21 de marzo |
NOS_50247 | Unha denuncia de Vox en contra do presidente do CIS leva a imputación de José Félix Tezanos por presunta malversación de caudais públicos, nunha decisión moi cuestionada pola Fiscalía, que pediu arquivar a causa pola falta de fundamento das acusacións de Vox, baseadas en novas e publicacións das redes sociais. | A raíz dunha denuncia de Vox en contra de José Félix Tezanos, presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas, a titular do Xulgado de Instrución 29 de Madrid, María Cristina Díaz, decidiu imputalo e citalo a declarar o vindeiro 29 de outubro ás 12.30. Diante da demanda por malversación de caudais públicos, na que acusan a Tezanos de manipular as enquisas a favor do PSOE, a Fiscalía reclamou o arquivo da causa por mor de que Vox non acreditara "nada" con respecto a indicios que puideran soster ese presunto delito, presentando como base noticias e reportaxes de televisión, "así como comentarios e opinións en redes sociais". Amais, incidiu en que elaborar enquisas é só unha das partes do traballo do CIS, polo que hai máis vías que a exixencia de responsabilidade penal para cuestionar a eficacia desa labor, definindo a imputación como "prospectiva" e sen xustificación. Apenas "meras sospeitas e conxecturas que vencellan de forma non axeitada a ineficacia das enquisas coa administración fraudulenta do CIS", asegura a Fiscalía. Alto cargo do PP Este movemento legal chega no medio dunha estratexia da extrema dereita de xudicializar determinadas decisións políticas, que está tendo moi boa acollida nos tribunais estatais, como mostran as decisións do Tribunal Constitucional de tombar o primeiro estado de alarma e mais a suspensión de actividades no Congreso xusto no comezo da pandemia de Covid-19. Neste caso, a xuíza titular do xulgado ocupou distintas posicións como alto cargo do Partido Popular (PP), sendo directora xeral de Política Interior no Executivo español encabezado por Mariano Raxoi e mais directora xeral de Xustiza e Seguridade da Comunidade de Madrid na etapa de Cristina Cifuentes. A relación coa que foi presidenta rexional de Madrid é de "amizade e cariño". Así o relatou cando tivo que absterse na investigación sobre a filtración do mestrado falso, na que estivo implicado o actual presidente do PP, Pablo Casado, sinalaron medios estatais. |
NOS_28366 | A alcaldesa da Coruña Inés Rey asinou un acordo programático coa Marea Atlántica, aínda que esta non entrará no goberno municipal, ao igual que aconteceu nas pasadas semanas co BNG. Tanto o PSdeG como a Marea deixaron as portas abertas a que durante os catro anos de mandato a situación poida mudar. | Desde que o 26 de maio as urnas deron a Inés Rey o segundo posto na carreira electoral, ficando moi poucos votos por detrás da popular Beatriz Mato, o PSdeG puxo as conversas en marcha para garantir o seu retorno á alcaldía. O pasado 16 de xuño asinábase un acordo de programa co BNG polo que o PSdeG comprometíase a levar a cabo medidas de carácter social e nacional que Francisco Jorquera apresentou como portavoz municipal do Bloque. Desta volta foi a Marea Atlántica quen chegou a un acordo de programa para o goberno da Coruña co PSdeG, e que se complementa na acción de goberno co asinado tamén co BNG. Ambos os acordos baséanse na concreción de políticas municipais mais non na formación de goberno de coalición, polo que o PSdeG gobernará en solitario. Con todo, a alcaldesa Inés Rey asegurou esta sexta feira 5 de xullo durante a sinatura do acordo coa Marea que "de aquí á metade do mandato as circunstancias poden variar", e insistiu en que por parte das filas do PSdeG "non pechan a porta a ningunha posibilidade que se poida dar ao longo destes catro anos", e engadiu que "a propia organización municipal non é unha organización estática, senón dinámica". E precisamente nesa mesma liña pronunciouse María García, a portavoz da Marea Atlántica após a demisión do ex alcalde Xulio Ferreiro. "Non hai ningunha porta pechada", mais insistiu en que o importante é "acadar acordos de política". García confía en que o acordo selado esta sexta co PSdeG signifique un avance para o concello e funcione "todo o ben" necesario para así poder "estabelecer novos retos" no futuro. "Sentamos as bases para unha relación de colaboración e entendemento, un primeiro paso para que o concello da Coruña se manteña na senda das políticas de progreso", sinalou García "Con este paso, sentamos as bases para unha relación de colaboración e entendemento, un primeiro paso para que o concello da Coruña se manteña na senda das políticas de progreso, con medidas concretas de execución inmediata, que poden poñerse en marcha nos vindeiros meses, todas en beneficio das maiorías sociais", sinalou García. E engadiu que se abre "un tempo novo, de necesario diálogo, no que a Marea Atlántica vai ter un papel fundamental". O acordo programático baséase no desenvolvemento dunha "axenda social transformadora" desde a acción do goberno municipal. Os puntos principais nos que se asenta son o compromiso en impulsar a área metropolitana da Coruña, a gratuidade do ensino para as crianzas de 0 a 3 anos, as bonificacións para determinados colectivos sociais no transporte público ou a "recuperación" do bordo litoral. SdeG e Marea pactan sacar adiante de maneira definitiva a ordenanza de igualdade antes de que finalice o ano A sinatura do acordo tamén compromete a alcaldesa a continuar as actuacións en infraestruturas da cidade, como a demolición do viaduto da Ronda de Nelle, o proxecto do centro deportivo de Castrillón ou a reforma dos mercados de Durmideiras, Santa Lucía e Monte Alto. Así mesmo, PSdeG e Marea pactan sacar adiante de maneira definitiva a ordenanza de igualdade antes de que finalice o ano e poñer en marcha un programa de vivenda de alugueiro co horizonte de que entre en funcionamento durante o vindeiro ano. |
NOS_46669 | O xuíz da Audiencia Nacional Manuel García-Castellán vén de imputar o responsábel de riscos laborais da construtora galega San José, Antonio Carpintero, ao que a Fiscalía Anticorrupción atribúe un delito de suborno pasivo. | Nun auto que viu a luz esta cuarta feira o xuíz, a instancias da Fiscalía, levanta o secreto de sumario sobre a peza xudicial na que se investigan presuntos encargos de espionaxe por parte de San José ao ex comisario da Policía española José Villarejo. O maxistrado chama a declarar por estes feitos –aínda que non deu a coñecer a data en que os citará– a Carpintero, a Villarejo e o socio deste, Rafael Redondo. Impútaos por suborno pasivo. Así o asegura El Confidencial, que engade que a peza sobre a construtora San José foi aberta a raíz dos indicios que apuntaban a que a empresa galega recorreu ao comisario para tratar de espiar xornalistas de La Voz de Galicia. O medio cita documentos incautados a Villarejo que demostrarían que San José contactou con el para lle pedir, supostamente, que fixese seguimentos aos redactores. Porén, non fica claro que se a espionaxe chegou a producirse nin se o ex comisario recibiu pago ningún por esa tarefa. Os feitos decorrerían hai aproximadamente unha década, na época en que o medio editado en Sabón (Arteixo) mantiña unha cruzada coa construtora galega. |
NOS_33218 | A xuíza desestimou aumentar as medidas de seguridade por falta de probas aínda que a Garda Civil alertara do risco. | María Isabel Fuentes, a muller asasinada esta sexta feira no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), estaba desprotexida malia o risco para a súa vida. Os investigadores tiñan sospeitas fundadas de que Aniceto Rodríguez fora responsable da agresión que lle provocara graves danos cerebrais, e que fixo pasar por un roubo violento. E así o comunicou a Garda Civil, que solicitou o 7 de abril ao Xulgado de instrución número 1 de Verín a detención do home acusado agora de asasinar a súa muller, segundo informa a axencia Efe. Porén, a xuíza instrutora desestimou as peticións de medidas de protección porque estaban baseadas en "conxecturas e suposicións", ante a falta de probas que apuntaran a un plan homicida do home de 75 anos. Rexeitou a intervención do teléfono de Rodríguez e establecer un protocolo de seguridade no hospital de Ourense. Os investigadores lanzaron a alerta, segundo o Faro de Vigo, pola existencia de contradicións no relato do presunto agresor, que será detido en canto se recupere das lesións que se ocasionou el mesmo após cometer o crime. A vítima estaba hospitalizada desde o seu ingreso o 2 de abril cun forte traumatismo na cabeza. O pasado 29 de abril foi trasladada desde Reanimación, unha zona con vigilancia permanente e coas visitas restrinxidas, á cuarta planta. Saira do coma nos últimos días e o seu estado melloraba pese a gravidade. Un novo asasinato machista, once no que vai de ano no estado español, que provocou unha forte repulsa da sociedade galega. Concentracións en numerosas cidades e vilas contra unha barbarie que non cesa, que continúan hoxe, deixando nun segundo plano a campaña electoral. BNG, PSOE e AGE pediron explicacións pola falta de protocolos. O exfiscal superior de Galicia, Carlos Varela, pediu nese sentido que se adopten os mecanismos que están recollidos no plan contra a violencia de xénero do ano pasado. O goberno, a través do ministro de Igualdade, Alfonso Alonso, asegurou que continúan a traballar para evitar máis casos, aínda que non entrou a valorar as eivas do asasinato en Ourense. |
NOS_57227 | CCOO e UXT denuncian temporalidade, elevada rotación laboral, 'falsos autónomos' e baixos salarios nun sector que cada vez ten máis peso na economía galega. | En Galiza hai 50.000 traballadores en "condicións precarias" que constitúen a "cara B" do turismo. Denúnciano CCOO e UXT ao tempo que lembraban que este é un sector que nos últimos anos foi gañando peso na economía galega. Representantes de ambos os dous sindicatos alertaron da temporalidade e a rotación laboral nos empregos, así como que cada vez máis se obriga a ser 'falso autónomo', co que as empresas aforran de pagar a ese traballador a Seguridade Social. A lista de denuncias continúa: abaratamentos de custos e redución de até un 40% dos salarios, para alén da parcialidade. "É un sector que tivo un incremento da ocupación no período de crise. Pero hai que ter moi en conta dous aspectos que categorizan esta actividade. Por un lado, un elevadísimo peso da contratación a tempo parcial e é unha das ramas de actividade económica con maior parcialidade", sinalan desde a UXT. A rama de actividade da hostalería e restauración dá traballo a 77.000 persoas no noso país. Son 40.000 traballadores asalariados dos servizos de restauración, 19.400 camareiros e cociñeiros propietarios e 12.000 directores e xerentes de empresas de aloxamento, restauración e comercio. As centrais advertiron que os catro convenios do sector da hostelaría que hai en Galiza, un por provincia, están finalizados: desde 2015 na Coruña e Pontevedra e desde 2012 en Lugo. En Ourense caducou en 2013. Desde a finalización, os salarios dos traballadores están conxelados. "Cada patronal vai á súa en cada provincia e non teñenningunha intención por achegar en común", sosteñen os sindicatos. Todo isto leva a unha situación cada vez máis precaria para os empregados. |
NOS_34820 | As organizacións agrarias denuncian as "ameazas" da industria para que as explotacións asinen contratos por baixo dos 0,29€/litro. Entrementres nas distribuidoras o leite continúa a ser empregado como un produto reclamo. | No novo escenario sen cotas lácteas o panorama non pinta mellor para as explotacións leiteiras. O prezo en orixe continúa polo chan e a industria atopou na sinatura obrigatoria de contratos por un ano unha nova ferramenta de presión para @s produtor@s @s que ameaza con non recoller o leite se non aceptan prezos en orixe que oscilan entre os 0,26-0,28 céntimos o litro, moi por baixo dos custes de produción. Así o denuncian as organizacións agrarias que alertan da desprotección que supón para o primeiro elo da cadea alimentaria fronte á industria e as distribuidoras. "A imposición de contratos obrigatorios a un ano por parte do Ministerio, sen establecer mecanismos que garantan uns prezos que cubran os custos de produción e eviten a posición de dominio das industrias na fixación unilateral de condicións; estase a converter nunha nova arma contra as gandeiras e os gandeiros", aseguran desde o Sindicato Labrego Galego (SLG). A caída dos prezos en orixe tradúcese nos supermercados en ofertas. Desde a Federación Rural Galega (Fruga) denuncian os casos de dumping --venda con prezos inferiores ao custe real de produción do produto-- que se ven acotío nos supermercados, hipermercados e grandes superficies. Así o reflicten através da fotografía captada por un gandeiro en Girona onde o cartón se comercializa apenas a 0,29 céntimos o litro. Desta maneira, as distribuidoras empregan o leite como un 'produto reclamo' para atraer consumidoras ao constituír este un alimento de primeira necesidade. Diálogo ou mobilizacións Desde o SLG anunciaron xa o lanzamento dunha campaña intitulada 'Mans arriba: este contrato lácteo é un atraco' coa que denunciarán perante os edificios administrativos da Xunta e o Valedor do Pobo o "modus operandi mafioso" co que actúan a industria e distribuidoras. Asemade, tanto o SLG como a Fruga exixen que a Consellaría de Medio Rural convoque a Mesa do Leite "para tentar solucionar esta crise a través do diálogo". No caso de que a Xunta "continúe instalada na parálise permanente da que está a facer gala e siga sen convocar ao sector, industrias e comercializadoras", anuncian que están dispost@s a iniciar maiores mobilizacións. |
NOS_41041 | Denuncia que a empresa quer aproveitar a crise sanitaria "para aforrar custes a conta das prestacións por desemprego e xustificar novos recortes na produción". | O comité de Xeal (antes Ferroatlántica) rexeita o ERTE que a empresa pretende aplicar nas fábricas de Cee e Dumbría e nas centrais hidroeléctricas por entender que "é unha fraude", acusando a empresa de querer "aproveitarse da crise sanitaria para aforrar cartos e avanzar no plan de recorte da produción". A negociación do ERTE rematou sen acordo, explica o comité, que xa anuncia que levara adiante as accións legais que teña en man para evitar que se efectivice unha medida que, afirma, "compromete a viabilidade das fábricas e a propia seguridade do persoal". A representación dos traballadores e traballadoras afirma que a empresa alega causas organizativas derivadas da pandemia da COVID 19, "cando en realidade os motivos que esgrime xa se iniciaran previamente coa paralización progresiva da actividade dos fornos, pois non hai que esquecer que o 13 de marzo, (días antes do decreto do estado de alarma), a dirección cesou a produción nos fornos 12 e 21, deixando en activo só dous dos cinco fornos. Esta recorte veuse sumar á rebaixa na produción imposta dende principios de ano coa parada do forno 13". Ademais, engaden, non hai excusa para rebaixar a produción, pois está considerada "dentro das actividades industriais esenciais, tanto no ámbito da produción eléctrica como na produción de ferroaliaxes". O seu provedor e cliente único, Ferroglobe, mantén a produción practicamente a 100% mantén o comité. Sen negociación O comité di que presentou unha serie de medidas organizativas alternativas dentro do periodo de consultas, mais a dirección "non quixo entrar a valorar en ningún momento a proposta da parte social e nin sequera trasladou toda a documentación que se lle requiriu". De igual maneira, prosegue, a empresa rexeitou limitar a vixencia do ERTE á duración do estado de alarma ("quere aplicalo até o 3 xullo"), ofrecer garantías de rearranque dos fornos, pór en marcha o necesario plan de viabilidade e retirar os recursos contra a resolución administrativa de Augas de Galiza impedindo a segregación de actividades. Para o comité, este ERTE "é un chanzo máis na secuencia de recortes de produción e de emprego e no desmantelamento progresivo das fábricas, iniciada coa venda do complexo enerxético-industrial da Costa da Morte ao fondo TPG, que a nova xerencia quere afianzar aproveitándose da emerxencia sanitaria". |
PRAZA_21058 | Ademais, 24 novos falecementos elevan a 525 o número de mortes dende o 1 de xaneiro. Redúcese a taxa de positividade e hai unha caída xeral no número de positivos detectados, pero hai aínda 57 concellos con incidencias por riba dos mil casos por cada 100.000 habitabtes. | A terceira onda da pandemia de COVID-19 continúa a descender en Galicia, con menos diagnósticos, unha menor porcentaxe de probas cun resultado positivo e unha diminución no número de persoas hospitalizadas. Porén, as altas cifras de contaxios rexistrados en decembro e xaneiro fan prever un moi longo período ata acadar uns niveis que permitan recuperar unha certa normalidade.O Ministerio de Sanidade advirte de que a presenza da variante do coronavirus descuberta no Reino Unido (B.1.1.7) está "aumentando rapidamente" no Estado. Os datos preliminares sitúan Galicia como un dos territorios nos que a cepa tería unha maior prevalenciaAdemas, a pesar da mellora xeral experimentada na última semana, o número de pacientes ingresados nas UCI continúa en niveis máximos. E, de igual xeito, o número de mortes rexistradas cada día segue a ser moi elevado, superando os récords de defuncións acadados na primeira onda da pasada primavera. A esta situación engádese o perigo engadido do aumento da prevalencia da variante do coronavirus descuberta no Reino Unido (B.1.1.7), que segundo advertiu este venres o Ministerio de Sanidade, está "aumentando rapidamente" no Estado Español, o que podería provocar un incremento "da incidencia e posiblemente da taxa de hospitalización e a letalidade nas vindeiras semanas". O informe admite a posibilidade de que a variante non só sexa máis contaxiosa, senón que estea relacionada cunha maior gravidade e letalidade das infeccións. Os datos preliminares sitúan a Galicia como un dos territorios do Estado nos que a variante tería unha maior prevalencia. O SERGAS confirmou 14 casos pertencentes a esta cepa, con outros 200 en estudo, sospeitándose que todo o gromo rexistrado no hospital Meixoeiro de Vigo corresponde a esta mutaciónO descenso no número de novos casos está a a ser rápido, pero a cifra é aínda tres veces superior á que se rexistraba en decembro antes das festas de NadalEste venres a Consellería de Sanidade notificou 919 novos diagnósticos de Covid-19 en Galicia, 808 diagnosticados a través dunha proba PCR nas últimas 24 horas. Estas cifras levan días movéndose lixeiramente por debaixo dos mil casos e a media diaria da última semana sitúase nos 921 casos, moi por debaixo dos 1.352 que chegou a acadar hai dez días. O descenso está a a ser rápido (cun ritmo semellante ao do ascenso rexistrado semanas atrás), pero o número de novos positivos aínda é tres veces superior ao que se rexistraba en decembro antes das festas de Nadal.Dende o día 1 de xaneiro morreron en Galicia 525 persoas despois de ter enfermado de COVID-19A redución no número de novos diagnósticos non debe facer esquecer as graves consecuencias que está a provocar a terceira onda da pandemia en Galicia, especialmente no que atinxe á mortalidade. Este sábado hai que engadir 24 novos falecementos, que elevan a 1.934 a cifra total dende o inicio da pandemia. A media diaria de defuncións (23,1) leva dous días en descenso, pero aínda se sitúa nos seus valores máis altos, superiores mesmo aos de marzo e abril. Dende o día 1 de xaneiro morreron en Galicia 525 persoas despois de ter enfermado de COVID-19, contaxios que se produciron na súa maior parte nas celebracións de Nadal. Nestas case seis semanas medrou especialmente o número de persoas maiores non residentes en centros de maiores que faleceron pola enfemidade.Nas residencias de maiores hai 448 casos activos entre os usuarios e usuarias e outros 218 entre o persoal. A cifra sitúanse por debaixo das cifras de onte (468 e 229) e confirma a tendencia á baixa iniciada hai unhas semanas.Con todo, nas últimas horas destaca a aparición dun gromo na residencia DomusVi-Laraxe, en Cabanas, que de momento afecta a 11 usuarios e usuarias e a 1 traballador ou traballadora. A taxa de positividade continúa a descender en Galicia e a súa media na última semana sitúase xa no 7,29%A taxa de positividade (porcentaxe de probas PCR cun resultado positivo) continúa a descender en Galicia e a súa media na última semana sitúase xa no 7,29%, un nivel que non se acadaba dende o 3 de xaneiro. A positividade media chegou a roldar o 11% ao redor do 21 de xaneiro. As áreas sanitarias de Ferrol e Pontevedra seguen a ser as zonas cunha maior porcentaxe de probas cun diagnóstico positivo, roldando o 11%. A Coruña está no 8,4% e o resto baixa do 8%, con valores máis reducidos en Santiago (onde se está a levar a cabo un cribado masivo con PCR) ou Lugo.O número de probas de detección realizadas cada día continúa a ser alto, con 12.980 probas PCR engadidas este sábado. A media diaria da última semana (12.517) mantense próxima aos niveis máis altos acadados ata o momento.Hai aínda oito concellos con incidencias por riba de 2.000 casos por cada 100.000 habitantes e 57 por riba dos 1.000 casos por cada 100.000 habitantesA incidencia da enfermidade leva varios días en descenso no conxunto de Galicia e iso nótase no mapa por concellos. Con todo, segue a haber un gran número de localidades con cifras moi elevadas de casos por habitante. Así, hai aínda oito concellos con incidencias por riba de 2.000 casos por cada 100.000 habitantes e 57 por riba dos 1.000 casos por cada 100.000 habitantes. Moeche, cunha IA de 4.806, segue a ser a localidade con peores datos. Tan só 16 concellos non rexistraron ningún caso nos últimos 14 días.No que atinxe aos concellos de máis de 10.000 habitantes, Poio (1.658), Betanzos (1.655) e Arteixo (1.329) seguen a ser as vilas con máis casos por habitante. Destacan tamén os niveis elevados de Vilalba, Sanxenxo, Ordes ou Monforte, todos con IA por riba de mil.En canto ás cidades, A Coruña segue a ser a urbe con peores datos, pero leva xa varios días cunha tendencia de mellora, o mesmo que Ourense e Santiago. En cambio, as cifra de incidencia de Pontevedra e Ferrol semellan estancadas, o mesmo que as de Lugo e Vigo, aínda que nestes dous casos, con valores máis reducidos.Nas unidades de coidados intensivos o número de camas ocupadas semella ter chegado ao seu máximo, pero leva varios días situada nese nivel, sen iniciar aínda o desexado descensoA situación nos hospitais segue a ser preocupante. Nos últimos días iniciose un descenso no número total de persoas ingresadas diagnosticadas de Covid-19, que pasou de 1.452 a 1.283 dende o 1 de febreiro. Esta mellora nas cifras xerais, que amosa que xa se superou o 'pico' hospitalario, non chegou aínda ás UCI. Nas unidades de coidados intensivos o número de camas ocupadas semella ter chegado ao seu máximo, pero leva varios días situada nese nivel, sen iniciar aínda o desexado descenso. Este sábado a Consellería de Sanidade notifica un total de 247 camas ocupadas, unh cifra que chegou a ser de 253 hai uns días.A mellora é máis evidente nalgunha das áreas sanitarias que se atopaban nunha situación máis perigosa, como A Coruña (cun descenso de 93 a 81 camas ocupadas no que levamos de semana) ou Pontevedra (de 30 a 24), afastando de momento a necesidade de ter que recorrer a hospitais de campaña. Pode que nestas cifras influíra o traslado de pacientes aos hospitais de Lugo e Vigo, menos saturados. De feito, a área sanitaria de Lugo nos últimos días incrementou de forma clara a súa cifra de camas de UCI ocupadas. Tamén aumenta a ocupación na área sanitaria de Ourense. |
NOS_21665 | Carlos Negreira (PP) e Xulio Ferreiro (Marea) reuníronse en María Pita. A Marea inclínase en principo por gobernar en solitario. | O primeiro encontro entre o alcalde en funcións, Carlos Negreira, e o alcaldábel da Marea, Xulio Ferreiro, rematou cunha data no horizonte para o traspaso de funcións en María Pita. Malia a actitude inicial d@s populares, que ralentizaron a transición após a Xunta electoral os ter situado como forza máis votada tras as impugnacións, finalmente será a finais desta mesma semana cando comece o tránsito entre gobernos. Neste senso, o candidato á alcaldía da Marea, Xulio Ferreiro, amosou á súa saída do encontro o desexo de que esta quinta feira (4 de xuño) "a futura equipa de goberno" poda recibir senllos informes procedentes das distintas áreas de traballo municipal para poder configurar unha "estrutura" gobernamental definitiva. Asemade, Ferreiro sinalou que ao longo dos vindeiros días procurará reunirse con representantes do PSOE e do BNG para lles transmitir a súa vontade de iniciar un goberno en solitario, embora --dixo-- non descartaren outras alternativas. |
NOS_48061 | O aumento do número de casos de coronavirus no Estado non redunda nun incremento do risco. Sanidade recomenda facer vida normal e chamar ao 061 ou ao 112 ante calquera sospeita. | Os esforzos das profesionais da Saúde Pública por conter o avance do novo coronavirus SARS-CoV-2 coinciden no tempo e en intensidade co afán dos servizos asistenciais da Sanidade Pública por rebaixar o nivel de alarma ante unha enfermidade respiratoria cunha taxa de recuperación moi alta e baixa letalidade. Confírmano os datos facilitados pola Organización Mundial da Saúde (OMS), recollidos a diario polo Ministerio de Sanidade co fin de facilitar o seguimento do coronavirus, o impacto da enfermidade que provoca, o COVID-19, e a súa evolución. Desde o inicio do brote, o 31 de decembro de 2019 en Wuhan, na provincia chinesa de Hubei, rexistráronse 80.993 casos confirmados en todo o mundo, 2.929 fóra da China. En total, faleceron 2.761 persoas, 44 fóra do país asiático. A letalidade, din as autoridades, é de 3% na China e de 0,7% no resto do mundo; unhas porcentaxes que non pasan desapercibidas para a comunidade médica. Chamada á tranquilidade "A incidencia de mortalidade do coronavirus, a día de hoxe, é máis baixa que a da gripe estacional", explica a Nós Diario María Armas, médica do Servizo Galego de Saúde (Sergas) nun Punto de Atención Continuada na comarca do Salnés, quen recalca que a situación, dentro do sistema sanitario "é de tranquilidade". "Estamos en estado de prevención pero non de alarma, pendentes da evolución dos casos detectados noutros territorios e sempre vixilantes, facendo fincapé nas recomendacións habituais que xa lles trasladamos ás doentes ante calquera cadro respiratorio: lavado frecuente de mans, evitar o contaxio e o contacto directo coas secrecións respiratorias", destaca Armas. "Estamos en estado de prevención pero non de alarma". As traballadoras da sanidade pública manexan desde o inicio da alerta o protocolo de actuación consensuado polo Ministerio de Sanidade e as consellarías do ramo dos diferentes territorios. O documento de referencia foi actualizado nas últimas horas coas recomendacións da comunidade experta en Saúde Pública e do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio, ante a detección de novos casos de coronavirus no Estado español e o aumento do nivel de risco local, de baixo a moderado, nas áreas concretas onde se diagnosticaron. Con todo, insistiu o director do Centro de Alertas Sanitarias, Fernando Simón, "non é necesario que a poboación use máscaras se non ten síntomas". Control adaptado para garantir a contención Desde o Sergas aseguran que o reforzo das medidas de prevención responde á necesidade de mellorar os protocolos de seguimento co fin de evitar pasar da fase inicial, de contención do coronavirus, a unha superior, de mitigación. Son, din, protocolos adaptados á estrutura asistencial do territorio onde se recollen os criterios que deben servir de guía ás facultativas para a vixilancia, o control e a avaliación das pacientes na Galiza. "Este episodio de alerta coincide coa campaña da gripe, polo tanto é habitual a afluencia de persoas con infeccións respiratorias. Ante casos así seguimos o procedemento de actuación acordado, que nos axuda a descubrir posíbeis casos en investigación", é dicir, aqueles que cumpren algún dos criterios sinalados polas autoridades sanitarias. "A nós", aclara a facultativa, "correspóndenos descartar que esas usuarias cun cadro vírico sospeitoso estivesen ben nun país estranxeiro, nomeadamente en áreas con evidencia de transmisión comunitaria, ben en contacto con persoas sospeitosas de padecer unha infección respiratoria distinta da gripe común", detalla María Armas, afeita a comprobar este segundo suposto coas súas pacientes tamén co obxectivo de detectar posíbeis casos de gripe A. A información completa pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na lectura na nube do diario. |
NOS_13195 | As persoas encausadas na 'Operación Jaro' anuncian mocións en concellos e Parlamento contra a "ilegalización" de Causa Galiza. "Non temos nada que ocultar nin nada do que avergoñarnos", afirman. | Máis de 70 axentes políticos, sindicais, sociais e culturais amosan o seu apoio aos 9 independentistas encausados na 'Operación Jaro' ao tempo que se posicionan contra a 'ilegalización' de facto de Causa Galiza, decretada pola Audiencia Nacional. Un apoio que fixeron público esta terza feira en Compostela os imputados polo operativo protagonizado a finais do pasado mes de outubro pola Garda Civil e ordenado polo maxistrado Eloy Velasco. Organizacións políticas como Agora Galiza, Anova, BNG, FPG, PCPG, Podemos, Primeira Linha, MGS: ou Sortu, desde Euskal Herria, e CUP, desde Catalunya. Sindicatos como a CIG, CUT e CNT. Entidades ambientalistas (Adega, Verdegaia, Federación Ecoloxista Galega...), centros sociais, colectivos feministas, organizacións sociais, agrupacións culturais, clubs deportivos.... "Unha ampla mostra do tecido que cre neste país e que se posiciona contra a montaxe xurídico-policial que sofremos", manifestou Joam Peres, voceiro das persoas imputadas na 'Operación Jaro'. "Queren transmitir ao pobo galego que o independentismo é terrorismo" Tomar a iniciativa Peres anunciou que se presentarán mocións nos concellos de Galiza para procurar pronunciamentos contra a prohiobición de Causa Galiza e a solidariedade cos encausados. Unhas mocións que, engadiu, tamén queren estender ao parlamento galego, español e mesmo europeo. "Estamos perante unha persecución político-ideolóxica impropia dun rexime minimamente democrático", manifestou, ao tempo que anunciaban que mantiñan contactos con medios e organizacións políticas internacionais para "dar a coñecer este proceso represivo" máis aló das fronteiras de Galiza. Trátase, en palabras do independentista, de dar "unha resposta á altura da represión" e de facer fronte ao que cualifica como unha "vulneración de dereitos civís e políticos" da cidadanía galega. Unha reflexión que partillou Elvira Souto, do Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades 'Esculca', ao apontar que a ilegalización de Causa Galiza "é unha vulneración de dereitos que non afecta só aos que simpatizan con esa organización, senón que atinxe a todos os cidadáns deste país". "As nosas ideas defendémolas á luz do día e sen pasamontañas. A nós detivéronnos nas nosas casas, de noite, uns tipos encarapuchados" Mártires de Carral A comparecencia neste 26 de abril, aniversario dos Mártires de Carral, non foi unha coincidencia. Deixárono claro desde o primeiro momento as persoas encausadas, que afirman que no auto da Audiencia Nacional recóllese que as homenaxes aos fusilados en Carral en 1846 proban que "conformabamos un "entramado" para "enaltecer, xustificar e promocionar o terrorismo". "Hoxe é 26 de abril e hai moitas homenaxes por todo o país, supoño que Velasco [o xuíz da AN que leva o proceso] terá todos na axenda", ironizou Peres. Elvira Souto, de por parte, informou, "por se lle interesa á Audiencia Nacional", que esta fin de semana tomou parte nun acto de conmemoración da Batalla de Cacheiras [decorrida na Revolución galega de 1856]. Os 9 encausados na 'Operación Jaro' fan fronte a acusacións de pertenza a banda armada (de 6 a 12 anos de prisión) e de enaltecemento (de 1 a 3 anos). "Non temos medo nin imos baixar a cabeza. Estamos perante un tribunal de excepción por defender os dereitos nacionais de Galiza", explicou Peres, que dixo que con este operativo oque se procura é "transmitir ao pobo galego que independentismo é terrorismo". As razóns Para estes 9 independentistas, a operación da Audiencia Nacional debe ser interpretada nun contexto de crise do modelo territorial e do propio sistema político e económico xurdido da Transición ao tempo que se dá un proceso independentista en Catalunya e "un incremento da conciencia nacionalista" en Galiza. Perante iso, denuncian, o Estado responde a través das "criminalización" e da persecución. Unha mostra desa teima do Estado sería, indican, que a raíz do operativo dous dirixentes do BNG tivesen que declarar na Audiencia Nacional simplemente por manter en 2013 unha xuntanza política con Causa Galiza. No acto que decorreu esta terza feira participaron, en solidariedade para coas persoas encausadas, representantes de diferentes colectivos e entidades, como o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, o ex-portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, ou o secretario xeral do PCPG, Xosé Collazo, entre outros. Tamén estiveron na comparecencia escritores como Sechu Sende ou xornalistas como Luca de Tena, para alén de representantes de centros sociais, entidades estudiantís, colectivos deportivos e sociais... Asinantes: Organizacións políticas: Agora Galiza, Anova-Irmandade Nacionalista, Anticapitalistas Galiza, BNG, Briga, Cerna, Coletivo Nacionalista de Marín, Colectivos de Mocidade Comunista, Galiza Nova, MGS, PCPG, Primeira Linha, Podemos, Isca, Xeira. Organizacións sociais: A Riada do Tea, Açom Rabuda, Asociación de solidariedade galego-cubana Francisco Villamil, Ceivar, Colectivo Terra, Comité anti-represivo do Condado, Comité de solidariedade com as retaliadas políticas (CSRP), Comité de solidariedade com os presos políticos, Grupo de Acción Social (GAS) de Vigo, Movemento polos Dereitos Civís, ODS de Coia, Que Voltem para a casa!, A Ria non se vende, Touradas fóra de Pontevedra, Vigo contra a represión, Xebra. Deportivas: Afiadoras de Fútbol gaélico, Jimmy Sempre con nós, Asociación de Luita Livre Olímpica Alacram Vermelho (Porriño), Colectivo Nós (seareir@s do Celta), Riazor Blues, Siareiros Lugo 1953, Suevia Fútbol gaélico, Feministas: Assemblea feminista Ourense, Conas Ceives, Mulheres Nacionalistas Galegas (MNG). Culturais: Amigos da Cultura de Pontevedra, Festival das Brétemas (Ponteareas), Keltoi, Liska, Orquestra autóctona republicana A Bagunda, Poetarras, SCD O Condado. Ambientalistas: Adega, Verdegaia, Federación Ecoloxista Galega. Centros sociais: Artábria, A Comuna, A Galheira, Gentalha do Pichel, O Fresco, Cova dos Ratos, Faisca, Fuscalho, Gomes Gaioso, Harar, Mádia Leva, Revolta. Sindicais: CIG, CNT Estudiantís: Erguer, Liça-organizaçom juvenil libertária Internacionais: Agora (León), Askapena e Sortu (EUskal Herria), CUP e Endavant-OSAN (Catalunya), Red Roja, Terra Liberada (Colectivo internacionalista galego en Venezuela) A listaxe completa e actualizada, podes vela aquí. |
NOS_29130 | Denuncian a constante caída de prezos, o desleixo e desinterese da administración e mandan un sinal de alerta: "O rural desaparece". Na manifestación participaron varios centos de persoas. | Centos de persoas tomaron parte en Lugo na mobilización convocada convocada por Agromuralla, e apoiada por organizacións como a OPL, para denunciar a "situación catastrófica" do sector gandeiro galego. "Non ao peche de máis granxas", líase nunha das faixas principais, un chamamento que chega após os últimos datos que indican que só nun mes, en xullo, 51 explotacións tiveron que botar o fecho no noso país. Un total de 323 desde que comezou o ano e ata xullo, máis de 2 cada día. A mobilización percorreu a Ronda das Muralla lucense precedida por 2 vacas e cunha pancarta "Somos gandeiras...por pouco tempo", ben indicadora de como os produtores interpretan a situación que viven desde hai anos, cun prezo que non para de desplomarse e que en xullo acadou mínimos históricas. Había unha década que non se pagaba tan pouco o leite galego. E mentres nestes 10 anos os custos aumentaron, o prezo baixou. "Industrias, distribuidoras, multinacionais, administración... están a destruír o sector lácteo galego. Non sexas cómplice!", pedían os organizadores da marcha, na que houbo fortes críticas para os axentes da cadea do leite responsábeis dos baizxos prezos que se pagan aos gandeiros, así como fortes críticas a unha administración que "non fai nada". "O rural despobóase" e corre risco de desaparecer, alertan. Explican que producir un litro de leite nunha explotación galega custa 34 céntimos, mais o que se paga de media non chega aos 27 céntimos, 2 menos que o ano pasado. E isto que implica? Que desde mediados de 2015 até agora "fechasen 600 granxas e se perdesen mil postos de traballo". "Non ao peche das granxas!", "Non máis mentiras, o rural agoniza", "Non queremos parches, queremos solucións" foron algúns dos berros que percorreron a manifestación. Imaxes: @Seragro e @revistaafriga |
NOS_45693 | Na súa vídeo-columna desta semana, Carlos Callón dá resposta a Miguel Anxo Fernán Vello, deputado de En Marea durante a breve lexislatura que se abriu o 20D e que se fechou ao non se chegar a acordos para a investidura. | Callón, na súa vídeo-columna anterior, criticou a representación galega -PP, PSOE, En Marea- no Congreso durante a mini-lexislatura que acabamos de viver por apenas ter apresentado iniciativas durante cinco meses. Estas críticas foron respondidas por Miguel Anxo Fernán Vello, quen acusou a Callón de ter proferido insultos contra esa representación galega. Callón avalía, agora, neste vídeo a resposta de Fernán Vello. |
NOS_19155 | A sondaxe realizouse os días 3 e 6 de febreiro e apuntan a un aumento de catro escanos en total da suma de ERC, JxCat e a CUP. Ciudadanos afúndese e Vox entraría no Parlament | Unha nova enquisa, esta vez publicada este domingo polo xornal La Vanguardia, confirma o aumento do apoio social ao independentismo en Catalunya (a suma total pasaría de 70 a 74 escanos) cando a maioría absoluta do Parlament está en 68 escanos. As formacións contrarias á independencia sumarían, segundo esta sondaxe, menos votos que a partidaria dunha Catalunya independente. Da mesma maneira trasladan o fracaso no Estado de Cs (de 36 pasaría a 12) e o avance do PSC (de 17 a 27). A sondaxe dá como forza máis votada a ERC 37 (+5), seguida de JxCat 31 (-3) e PSC 27 (+10). A cuarta forza no Parlament sería Cs 12 (-24), seguida de CeC-P 10 (+2), PP 8 (+4) e a CUP 6 (+2). A enquisa apunta un aumento de apoio á CUP e a entrada por primeira vez e Vox 0 (+4). Por primeira vez nos últimos anos a forza máis votada, neste caso ERC, tería dúas posibilidades de decidir unha maioría: con JxCat ou coa esquerda, esta última posibilidade moi pouco valorada na sondaxe polas persoas votantes de ERC. Na mesma enquisa afirma que Oriol Junqueras (5,3) é o único lider que aproba seguido de Carles Puigdemont (4,1). Polo lado contrario a peor valorada é a líder de Ciudadanos Lorana Roldan (2,2). |
NOS_49745 | Os de Boiro acumulan xa nove títulos nesta competición. Ares e Meira completaron o podio. Na categoría feminina, Mecos foi quen ergueu a bandeira. | Poucas sorpresas no campionato galego de traiñeiras que tivo lugar en augas arousás no Día da Patria Galega. Os de Cabo de Cruz, a única representante galega que fica na elite do remo en banco fixo – a ACT- foi quen ergueu a bandeira, co engadido de que esta vez fíxoo en casa, ante a súa afección. A traiñeira de Cabo marcou un tempo de 20:53:33, sacando 7 segundos aos segundos clasificados, Ares, e 10 aos terceiros, Samertolameu de Meira. Nesta categoría competiron 16 embarcacións. Tirán foi cuarta, seguida de Mecos, Vilaxoán, Bueu, Rianxo, Esteirana, Coruxo, A Cabana, Cesantes, Muros, Chapela, Vila de Cangas e Mugardos No campionato feminino a vitoria foi para as vogadoras de Mecos (tempo de 26:07:94), que se impuxeron ás outras 8 embarcacións que competiron nesta categoría. O podio completárono Ribeira e Cabo de Cruz. A seguir: Tirán, Perillo, Mugardos, Chapela. |
PRAZA_13881 | Asturias e Canarias votaron en contra, mentres que Andalucía abandonou a xuntanza e Catalunya nin tan sequera se presentou. Galicia deixa de lado o "si crítico" da última reunión e acepta as condicións, que fixan o tope de endebedamento da comunidade en 2013 no 15,4%. | O PP volve quedar só. Unicamente as comunidades autónomas gobernadas polo PP votaron este martes a favor dos obxectivos de déficit e de endebedamento que o ministro de Facenda e Administracións Públicas, Cristóbal Montoro, presentou nun Consello de Política Fiscal e Financeira cheo de tensión. Asturias, gobernada polo PSOE, e Canarias, por Coalición Canaria, votaron en contra, mentres que Catalunya e Andalucía ausentáronse. Os representantes da primeira nin tan sequera apareceron, mentres que a conselleira andaluza abandonou a xuntanza ao considerar inadmisibles os obxectivos marcados. Galicia votou a favor. Porque Galicia abandonou tamén o "si crítico" dado na última reunión. A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, expresou á saída da xuntanza a súa conformidade coas cifras máximas de débeda impostas a Galicia para o ano 2013, 2014 e 2015, que serán do 15,4%, 15,4 % e 15,1 %, respectivamente. Trátase, segundo di, dunha repartición "homoxénea" das cifras adxudicadas a cada comunidade en función das características de cada unha e do seu PIB. Ademais, a conselleira asegurou que a comunidade non terá que acollerse ao fondo de liquidez e, respecto á marcha de Catalunya e Andalucía, asegura que non comparte a súa postura no Consello, pero si considera excesivo o recrote do obxectivo de déficit para o 2013 até o 0,7%. Asturias e Canarias votaron en contra; Catalunya non se presentou e Andalucía abandonou a reunión Pola súa banda, a conselleira andaluza de Facenda e Administración Pública, Carmen Martínez Aguayo, deixo a xuntanza ao non compartir o límite de endebedamento fixado para a súa comunidade autónoma e logo de asegurar a súa "perplexidade" ante os "restritivos" obxectivos marcados. Tan só unhas horas antes, a Generalitat de Catalunya anunciara que plantaría o Goberno central ao asegurar que "todo estaba decidido" e tras queixarse dos incumprimentos de financiamente por parte do Estado. "É algo absolutamente inconcibible. Se se confirma, póñense uns obxectivos de débeda que son, se caben, máis restritivos que o obxectivo de déficit, polo que imos estar dobremente en desacordo", dixo a conselleira andaluza á súa chegada ao Consello de Política Fiscal e Financeira. Tan só uns minutos despois, e logo de tomar a palabra para expresar a súa queixa, abandonou a xuntaza. Xa que logo, todas as comunidades deberán cumprir co límite de déficit do 0,7% en 2013, aínda que en termos de débeda sobre o PIB, cada unha delas contará cun límite individualizado. De aí as sospeitas e suspicacias das autonomías que se veñen de rebelar. Con todo, o resultado desta votación obriga a todas as comunidades ao cumprimento dos obxectivos, tanto se estaban presentes na reunión coma se non e tanto se votaron a favor como se non. |
PRAZA_20824 | A Deputación comprometérase cos propietarios a non facer público o seu nome nin a mencionar o alcance económico da operación ata formalizar a compra, que se completou este venres. Os 49 orixinais que compoñen a colección foron un agasallo do autor á familia, coa que tiña amizade | Unha semana antes do Nadal o Museo de Pontevedra anunciou a adquisición dos orixinais do Álbum Nós de Castelao: 49 láminas, un autorretrato de Castelao e o exlibris que finaliza o álbum que pasarán a formar parte dos fondos da institución provincial en propiedade logo de dispoñer delas en depósito os últimos cinco anos.A Deputación comprometérase cos propietarios do Álbum Nós a non facer público o seu nome nin a mencionar o alcance económico da operación ata formalizar a compraNese momento a Deputación de Pontevedra e o director do Museo, Xosé Manuel Rey, explicaban que os trámites para a adquisición estaban case pechados e que nos días seguintes se aprobaría a compra na Xunta de Goberno do ente provincial, engadindo que ata que se formalizase a compra, a Deputación se comprometera cos vixentes propietarios do Álbum Nós a non facer público o seu nome nin a mencionar o alcance económico da operación.A formalización da operación tivo lugar este xoves na Xunta de Goberno da Deputación e este sábado fíxose pública a identidade do vendedor e a contía da venda. O Álbum Nós era propiedade da coñecida familia Lino de Pontevedra, que agora vén de vender estes materiais por 650.000 euros."Unha colección completa deste tipo se se sacara a concorrencia pública ou subasta podería ter chegado a un valor bastante máis alto e podería ter marchado fóra de Galicia", destacou MosqueraO vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, destacou este sábado que o feito de que o 'Álbum Nós' "quede no Museo é unha boa noticia para o Museo, é unha boa noticia para Pontevedra, e é unha boa noticia para Galiza", engadindo que o acordo é "altamente beneficioso para o Museo dado que as obras de arte sempre valen o que estean dispostos a pagar os compradores" e sinalando que "neste caso unha colección completa deste tipo se se sacara a concorrencia pública ou subasta podería ter chegado a un valor bastante máis alto e podería ter marchado fóra de Galicia".Os termos da negociación, asegurou o vicepresidente, foron "moi fáciles", dado que había unha valoración do seguro polo depósito das pezas para a mostra de 2016 e que, aínda que a familia tiña ofertas e expectativas que lle podían dar máis, había vontade de que quedaran en Pontevedra. "Séntense arraigados a Pontevedra e querían que quedara en propiedade pública", apuntou o vicepresidente.Mosquera fixo fincapé na discreción da propietaria da colección, María del Carmen Lino, e agradeceu específicamente á familia a súa comparecencia pública para dar conta. Subliñou que a relación de José Lino (pai da propietaria) con Castelao foi moi estreita e que, nalgún momento, o autor rianxeiro cedeu os orixinais en agradecemento. "Durante un tempo estiveron desaparecidos para o público, non agochados, mais no ano 2016, coa exposición que fixo o Museo sobre Castelao, descubriuse que eran os orixinais", asegurou Mosquera. "O Álbum Nós é unha obra extraordinaria pola súa importancia na evolución artística e ideolóxica de Castelao", sinala o director do Museo de PontevedraPola súa banda, o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, salientou a importancia da adquisición definitiva da colección para a institución, que se convirte no centro de referencia para o coñecemento da obra de Castelao. "O Álbum Nós é unha obra extraordinaria pola súa importancia na evolución artística e ideolóxica de Castelao", insistiu Rey.Amigo persoal de CastelaoEnrique Domínguez Lino, un dos fillos da propietaria, explicou que a colección chegou a mans de María del Carmen Lino a través do seu pai José Lino Sánchez, quen mantiña unha estreita relación de amizade e confianza con CastelaoA familia propietaria manifestou a súa satisfación pola súa permanencia da colección na cidade de Pontevedra. Enrique Domínguez Lino, un dos fillos da propietaria indicou que "o máis relevante en todo este tempo era poñer ao dispor de todos os pontevedreses e de todos os cidadáns a posibilidade de gozar destes debuxos, algo que quería tanto Castelao como a familia de José Lino Sánchez, sendo a cuestión da titularidade secundaria".Domínguez Lino explicou que a colección chegou a mans de María del Carmen Lino a través do seu pai José Lino Sánchez, quen mantiña unha estreita relación de amizade e confianza con Castelao, xa que ambos eran asiduos das reunións na casa de Antón Losada. En concreto, explicou o neto, Jose Lino Sánchez participou en 1922 xunto con Antonio Iglesias Vilarelle, Octavio Pintos e Filgueira Valverde na Xuntanza de Estudos e Investigación Históricas e Arqueolóxicas, un grupo de traballo creado por Losada Diéguez, precedente do Seminario de Estudos Galegos, no que Castelao exercerá como debuxante. Ambos tamén foron membros fundadores do Partido Galeguista, polo que José Lino atopábase entre as persoas do círculo máis próximo e de confianza de Castelao. Desde 1928 ata 1936 Castelao e José Lino foron veciños, e tras o falecemento do seu fillo o matrimonio Castelao decidiu alugar un piso no edificio sito na rúa da Oliva propiedade da familia Lino, sendo frecuentes as visitas dun e doutro ás súas respectivas vivendasDesde 1928 ata 1936 Castelao e José Lino foron veciños, e tras o falecemento do seu fillo o matrimonio Castelao decidiu alugar un piso no edificio sito na rúa da Oliva propiedade da familia Lino, sendo frecuentes as visitas dun e doutro ás súas respectivas vivendas. "Foi nunha desas visitas onde Castelao lle regalou as 51 láminas a Jose Lino en recoñecemento ao seu traballo, lealdade e colaboración desisteresada con el", sinalou.Hai catro anos, con motivo da exposición organizada polo Museo de Pontevedra sobre a figura de Castelao, Ángeles Tilve, sendo coñecedora da boa amizade que existía entre Castelao e José Lino, preguntoulle á familia Lino -a través da restauradora de pintura Mercedes do Campo- se tiña algún debuxo ou obxecto de Castelao para poder expoñer na exposición. "Acordáronse do sobre coas láminas que lle regalara o seu pai e que tiña gardado. Cedeullas temporalmente, en depósito, ao Museo coa gran sorpresa de que unha vez depositadas nas instalacións do Museo para a exposición de Castelao, o persoal Museo examinounas chegando á conclusión de que se trataba da colección Nós, cuestión totalmente descoñecida e ignorada pola familia", comenta. |
NOS_47502 | Assunto foi abordado em Luanda no âmbito de dois dias de reuniões dos grupos nacionais daquele órgão. | A presidente do senado da Guiné Equatorial, Teresa Asangono, está em Luanda para acertar a entrada formal daquele órgão na Assembleia Parlamentar da Comunidade de Países de Língua Portuguesa (AP-CPLP). O assunto foi abordado na capital no âmbito de dois dias de reuniões dos grupos nacionais daquele órgão e que, entre outros assuntos, vão preparar a Assembleia Parlamentar da organização, agendada para este ano, no Brasil. "Os vossos contributos, nem que seja neste primeiro contacto, a recolha de informações que possam permitir no futuro uma maior e melhor integração do parlamento da Guiné Equatorial na grande família que já passamos a ser a Assembleia Parlamentar da CPLP, ajudarão certamente a que se atinjam os objectivos da nossa organização", afirmou a primeira vice-presidente da Assembleia Nacional de Angola, Joana Lina. A presidente do senado da Guiné Equatorial reuniu-se na segunda-feira, no arranque dos trabalhos desta reunião da AP-CPLP, com o presidente da Assembleia Nacional angolana, Fernando da Piedade Dias dos Santos, para abordar a formalização da admissão àquele órgão, bem como as relações bilaterais entre ambos os países. A Guiné Equatorial tornou-se em julho de 2014 no nono país a integrar a CPLP "Falamos da formalização da participação da Guiné Equatorial na Assembleia Parlamentar da CPLP", disse, aos jornalistas, Teresa Asangono. A Guiné Equatorial tornou-se em julho de 2014 no nono país a integrar a CPLP, comunidade formada ainda por Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Moçambique, Portugal, São Tomé e Príncipe e Timor-Leste. Os grupos parlamentares dos sete países representados em Luanda – o Brasil está ausente destas reuniões – estão também a analisar as implicações legais resultantes da instalação do secretariado permanente daquele órgão em Luanda e o perfil do secretário-geral. A agenda de trabalhos reservou para ontem o balanço da aplicação das recomendações da V reunião da AP-CPLP e a análise da proposta do plano de trabalho da organização para o período 2015-2017. Artigo tirado do jornal Rede Angola. |
NOS_39301 | A actual lexislatura será moi diferente a anterior. Un Feixoo en retirada, unha Ana Pontón traballando por confirmar o seu liderado na oposición e un Gonzalo Caballero pelexando por manterse ao fronte do PSOE. Ao tempo, unha grave situación de emerxencia sanitaria e económica marcando a axenda política. | A composición do Parlamento da Galiza pouco ten a ver coa pasada lexislatura. A saída da Cámara galega dos herdeiros políticos da Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) e de En Marea reduce a tres forzas o hemiciclo e pon remate a un período de fragmentación iniciado á volta de 2012, nun contexto de implosión do sistema de partidos derivada dos primeiros sinais da crise de réxime. A suba electoral do Bloque Nacionalista Galego (BNG) até converterse na primeira oposición, relegando ao Partido Socialista Obreiro Español (PSOE), altera a correlación de forzas na oposición a Feixoo. A situación interna das formacións políticas volve a marcar os vindeiros catro anos de vida parlamentaria. Malia que ninguén agarda unha repetición do acontecido na pasada lexislatura, con diversas escisións nas filas da oposición que van dar orixe a novos grupos na Cámara, populares, nacionalista e socialistas deben facer fronte a importantes retos nesta materia. Mentres os primeiros teñen por diante a anunciada sucesión de Feixoo, os segundos están obrigados a confirmar na práctica o seu liderado na oposición, correspondéndolles aos terceiros confirmar ou renovar o seu núcleo de dirección. Un relevo para Núñez Feixoo Alberto Núñez Feixoo anunciou en diversas comparecencias públicas ao longo da última campaña electoral a súa intención de non recuncar nos vindeiros comicios galegos. A falla de que este compromiso finalmente se confirme, a decisión do presidente galego obriga aos populares a tomar decisións neste sentido, convencidos que o seu próximo candidato debe saír do círculo do Goberno e o seu proceso de elección debe ser ordenado, para evitar o acontecido no momento do relevo de Manuel Fraga e mesmo durante o salto falido de Feixoo a Madrid. A composición futura do Executivo galego, moi particularmente na segunda metade da lexislatura, vai estar marcada por esta circunstancia Ana Pontón debe certificar o seu liderado na oposición. Se os resultados das pasadas eleccións galegas colocaron aos nacionalistas ao fronte da mesma, a práctica política vai confirmar ou non a súa xefatura. Unha vez que se dá por segura unha nova candidatura de Pontón á presidencia da Xunta da Galiza nos vindeiros comicios, a dirixente nacionalista ten catro anos por diante para fidelizar parte do voto acadado nos comicios de xullo, atraer novas fraccións do electorado e ser capaz de convencer aos galegos e galegas que hai unha alternativa mellor á representada pola dereita. Gonzalo Caballero ten varias batallas por diante, a primeira e máis importante rematar a lexislatura como secretario xeral dos socialistas galegos. A súa intención é continuar á fronte do partido e xa se ten postulado para repetir a súa candidatura nos vindeiros comicios, cuestión na que teñen incidido en público algunhas das persoas do seu círculo de confianza. Porén, conta con poderosos adversarios internos, comezando pola dirección da formación en Pontevedra, liderado polo tándem formado por Abel Caballero e Carmela Silva, e polo núcleo dirixente da Coruña, a cuxa fronte se atopa o presidente da deputación provincial, Valentín Formoso. A emerxencia económica e sanitaria A emerxencia económica e sanitaria vai marcar o debate parlamentario nos próximos catro anos. Se a primeira vaga da pandemia do coronavirus puxo ao descuberto ás costuras dos servizos públicos galegos após anos de duros retallos, a resposta a un segundo gromo e a necesidade de prepararse para non repetir o acontecido obriga a fixar novas prioridades na acción de Goberno. Neste liña, urxe concretar o reforzo do sistema sanitario, comezando por aumentar a cobertura da atención primaria e continuando por dotar de máis medios á especializada non admite demora. Ao tempo, está pendente a definición dun novo modelo de atención aos maiores, que evite a mortalidade vivida nas residencias durante a pandemia e que prime a calidade asistencial fronte ao lucro. As consecuencias sociais da crise económica provocada pola pandemia van obrigar a optar ao próximo no Parlamento da Galiza. A aposta por unha folla de ruta condescende coas políticas recollidas no plano de rescate europeo presidido polo austeridade e chamado a provocar grandes sacrificios sociais ou a defensa dunha axenda que sitúe nun primeiro plano o compromiso cos dereitos sociais e a defensa dos servizos públicos van marcar o eixo básico da confrontación, dificultando as posibilidades de acordo entre os grupos e as políticas de concertación. A rúa manda Será unha lexislatura marcada pola dinámica social. As protestas e mobilizacións en resposta á crise económica rematarán por condicionar toda a acción parlamentaria, agás que a institución aposte pola súa deslexitimación. A alternativa ao PP decídese máis que nunca fóra do Pazo do Horreo. |
PRAZA_8627 | Thomas Mann é o protagonista das Xornadas Literarias que todos os anos organizan o Concello de Neda e a Facultade de Humanidades da UDC. Haberá conferencias, coloquios e achegas musicais e cinematográficas do 24 ao 26 de abril. | Thomas Mann é o protagonista das Xornadas Literarias que todos os anos organizan o Concello de Neda e a Facultade de Humanidades da UDC e que chegan á súa undécima edición. Do 24 ao 26 de abril haberá conferencias, coloquios e achegas musicais e cinematográficas coa participación tanto de expertos coma do alumnado dos centros de ensino. As edicións anteriores estiveron dedicadas a Joyce, Kafka, Cortázar, Pessoa, Proust, Virginia Wolf ou Bob Dylan. As xornadas comezarán este mércores 24 na Facultade de Humanidades e Documentación da UDC, en Ferrol, coa conferencia inaugural a cargo de Anna Rossell (profesora, escritora, tradutora): "Thomas Mann: la humanización de un mito I". O xoves 25 as actividades trasladaranse a Neda coas intervencións do Club de Lectura da Biblioteca do IES Fernando Esquío e do Departamento de Alemán da Escola Oficial de Idiomas. Anna Rossell ofrecerá a segunda parte da súa conferencia e para rematar a xornada haberá un espectáculo de cabaret. O venres 26 a Asociación Galega de Xermanistas a través de Silvia Aldrei e Alba Viñas impartirá un curso básico de alemán e Rosa Gómez Pato (Tradutora, profesora da Fac. de Filoloxía da USC) ofrecerá o relatorio: "De viaxe con Thomas Mann". Para rematar as xornadas José Manuel Sande (programador do CGAI, especialista en cine e literatura) falará da relación entre Mann e o cinema: "Anxos da morte e demos: Thomas Mann e o cine" antes de proxectar o filme Morte en Venecia (1971), de Luccino Visconti.. |
NOS_33801 | Para o Colexio de Médicos, as demandas expostas nos últimos días son "xustas" e "necesarias", polo que, para cumprir o seu "deber deontolóxico", exixe ás autoridades sanitarias "que se garantan as condicións mínimas para facelas posibles". | O Consello Galego de Colexios Médicos vén de instar á Consellaría de Sanidade e ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) que, "de acordo cos servizos implicados e os seus xefes", arbitre "de forma urxente as medidas necesarias coa memoria económica que corresponda" para "pór fin a esta inaceptábel situación" de "sobrecarga asistencial" que sofren os médicos internistas. Así o manifestou a través dun comunicado de prensa, no que o órgano destaca que "a Medicina Interna é unha especialidade fundamental para a asistencia hospitalaria aos pacientes e para a docencia MIR de gran parte das especialidades médicas". A Xunta reunirase cos médicos internistas de Ourense que denuncian "sobrecarga asistencial" "Os servizos de Medicina Interna son uns dos que máis carga de ingresos teñen e maior actividade, polo que se consideran dos servizos con máis peso hospitalario. Por iso, desde o Consello Galego de Colexios Médicos vemos con moita preocupación a gran sobrecarga asistencial que veñen soportando nos últimos anos", expón o comunicado. Entre algúns dos motivos que enumeran os facultativos atópanse o avellentamento poboacional ou a pandemia, mais destacan a "mala planificación (da Xunta), xa referida polos citados especialistas en Medicina Interna, que chegaron a cualificar a situación de malos tratos profesionais". Demandas "xustas" e "necesarias" Para o Colexio de Médicos, as demandas expostas nos últimos días son "xustas" e "necesarias", polo que, para cumprir o seu "deber deontolóxico", exixe ás autoridades sanitarias "que se garantan as condicións mínimas para facelas posibles". O comunicado chega horas antes da reunión prevista para esta quinta feira entre a Consellaría de Sanidade e os xefes de servizo de Medicina Interna dos hospitais galegos. Malas novas para o sector sanitario: desestimada a denuncia por sobrecarga laboral en Vigo Na xuntanza, Sanidade proporá que médicos de cabeceira doutros hospitais presten asistencia nos comarcais, con contratos de longa duración, até que se resolvan a Oferta Pública de Emprego (OEP) e o concurso de traslados, co obxectivos de cubrir esas prazas vacantes. Neste sentido, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, detallou na cuarta feira que a intención do Goberno galego e aplicar o mesmo modelo de atención que xa está presente noutras especialidades, como Reumatoloxía e Radioloxía. |
NOS_50417 | O caderniño de verán de Sermos viaxa a algún dos mellores lugares, da xeografía física e tamén na rede, da gastronomía galega. | Cando "fai un sol de carallo", Galiza é máis caníbal ca nunca. Ven o dicían Os resentidos. Como esta é época de grandes paparotas, en Sermos dicimos viaxar por algún dos lugares máis destacados da nosa gastronomía. Falamos con Pepe Solla, cociñeiro do innovador grupo Nove que comezou a despuntar a principios da década pasada, e tamén con Lucia Freitas, representante dunha xeración xa posterior, agora na vintena ou comezando a trintena, con gran formación e talento aos fogóns mais cunha oferta máis asequíbel dada a crise. Ademais, facemos un itinerario por varios dos máis destacados blogues en galego e sobre cociña galega da rede. Xornalistas gastronómicos como Manolo Gago ou blogueiras de éxito no mundo das receitas atenderon a nosa chamada. Xurxo Souto fala de Xosefa de Bastavales Xurxo Souto dedícalle a súa sección "Somos un pobo de artistas" a Xosefa de Bastavales, unha artista que nunca chegou a gravar mais que compartiu escenario con Manu Chao en Lyon e palabra con Compay Segundo e Cesária Évora,´e que é en si toda unha representante da arte de tantas mulleres, cantadoras e bailadoras que, xeración tras xeración, fixeron de Galiza un pobo de artistas. Entrevista a Berta Dávila O obxectivo das preguntas de Rodri Suárez, xornalista e coordinador deste suplemento, foi nesta ocasión a escritora Berta Dávila. "As relecturas son para o verán, como as bicicletas", dinos, pois, segundo nos confesa, para ela o estío non é época de escrita senón de revisión do feito. Novas entregas do relato erótico e do serial de Xabier P. Docampo Proseguimos con novas entregas dos relatos eróticos de Pepe de Pura e do serial de intriga inédito de Xabier P. Docampo. Pepe de Pura recrea experiencias homoeróticas en ambientes de cruissing. O relato de Docampo vai coa tensión in crescendo: resistirá a alcaldesa as presións do empresario? Sairá á luz a estrume de corrupción que asenta no concello? O recuncho de Ignacio Villar A contracapa está protagonizada nesta ocasión por Ignacio Villar, que nos fala do seu recuncho máxico, Os Ancares, escenario das localizacións do seu filme Vilamor. |
NOS_2496 | 'Crepusculario da biodiversidade' é unha das propostas que inclúe 'Aprender', o suplemento de Nós Diario para a ciencia e a divulgación que se publica as cuartas feiras. | Non estamos destruíndo o planeta: hai especies que sacarán partido do quecemento global. Estamos, iso si, condenando os nosos netos. "Polos seus ollos abertos na terra, verei nos teus bágoas un día", escribiu Neruda. A vida atopou unha infinidade de camiños para realizarse. O número de especies animais e vexetais ascende hoxe a perto de dez millóns, das que unha cuarta parte vive nos mares. A amplitude de formas de vida abre unha pregunta interesante: foi a presión evolutiva ditada polo clima e o medio ambiente a causa da biodiversidade ou talvez evolucionaron xuntas e en interrelación a vida e o substrato material que esta lle ofrece ao planeta? James Lovelock inclinouse pola segunda e formulou hai medio século a "hipótese Gaia": a vida non é un suxeito pasivo nun escenario predeterminado. A biodiversidade contribúe á estabilidade da temperatura global, á salinidade dos océanos, ao nivel de osíxeno na atmosfera e a outros factores de habitabilidade, nunha sorte de homeostase planetaria. O vivo e a súa contorna evolucionan á vez, afectándose mutuamente, nun equilibrio que non é necesariamente estábel: unha alteración importante pode sacar o sistema completo do seu precario equilibrio. Un bo exemplo diso tivo lugar hai 2.500 millóns de anos cando a poboación de cianobacterias —algas verdeazuladas capaces de realizar fotosíntese— creceu desaforadamente, inxectando toneladas de osíxeno na atmosfera. As condicións da contorna cambiaron radicalmente, unha catástrofe climática na que houbo damnificados e beneficiados. Entre estes últimos están os nosos devanceiros, que desenvolveron o mecanismo da respiración e puideron aproveitar os novos aires". (Podes ler o artigo íntegro de'Crepusculario da biodiversidade' no suplemento Aprender, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as cuartas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja) Neste número, ademais, Manuel Soto ofrécenos 'Educación Ambiental' chéganos á Ribeira Sacra, as reflexións de Martin Pawley e Edita de Lorenzo, así como unha entrevista con Patricia Varela, presidenta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega. Suplementos diarios de carácter temático Coñecer', 'Aprender', 'Xogar', 'Gozar' e 'Producir' publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel. Trátase de suplementos temáticos de catro páxinas a cor, deseñados por Pepe Barro, un dos máis destacados grafistas da Galiza, que incorporarán máis voces especialistas nos diferentes campos que integra cada unha destas publicacións,. |
NOS_44618 | Soportes publicitarios, parques infantís e outros moitos espazos públicos están nun estado avanzado de deterioración e precisan arranxo. | A comezos da semana pasada, varias crianzas estaban a xogar na zona infantil do coñecido Parque Miño para aproveitar o seu tempo de lecer e do día que facía. De pronto, danse conta de que caera un dos teitos que daba sombra nos quentes días de verán. Estas avisaron os seus pais que xa se levaban dando conta do mal estado das infraestruturas. Mais este non é o primeiro caso nin o último de espazos públicos que se atopan en situación precaria. O Parque Miño é coñecido por ser un dos parques máis transitados da cidade. Atópase ao carón do centro comercial Pontevella e en fronte ao río Miño. Posúe unha grande zona de céspede e merendeiros onde pasar a tarde en boa compañía. A isto súmaselle unha zona infantil con diversas atracción para as máis cativas. A caída deste teito non é a única infraestrutura danada, senón que hai espazos para a poboación máis cativa que non posúen a protección adecuada no chan. O areneiro xa tivo que ser reparado en diversas ocasións, pero cada pouco continúa estragado. Asemade, a cafetería, de titularidade municipal, atópase fechada e non abre dende hai anos. Mais a xustificación do goberno de Ourense é o pouco concorrida que está a zona durante inverno e outono. Isto provoca que ao concurso non se presente ninguén e continúe fechada a cafetería. Trasladándonos ao parque que se atopa ao lado da Rúa Concello alí achamos bancadas para sentar que se atopan nun estado moi deteriorado. Case non hai area na zona infantil e as zonas máis atractivas coma os balancíns non están ben protexidas. Outro caso similar é o do Xardín do Posío, nunha zona céntrica e transitada durante todo o ano por moitos e moitas ourensáns. En concreto, co motivo da súa deterioración, o Partido Socialista levou ao pleno municipal unha moción ao respecto. Así, chegouse a un acordo para realizar un plan de rehabilitación das infraestruturas. Mais non son só as zonas infantís as afectadas pola deterioración, o paso do tempo e o seu uso. Por exemplo, a pasarela do Barbaña, que foi reparada e reaberta o pasado ano. As obras ocuparon un espazo temporal de tres meses e un custe de setenta mil euros. Pintouse de cor gris, substituíndo o vermello que adornaba a ponte. Mais a día de hoxe xa son moitos os taboleiros que constitúen esta estrutura. |
NOS_3900 | Máis de 200 persoas concentráronse na mañá do domingo diante do Concello de Cee en defensa do galego e pola dimisión do concelleiro do PSOE de Cee, Modesto Rivas, polas súa postura contraria á lingua. | O Concello de Cee acolleu este domingo unha concentración convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística en defensa do regulamento municipal que impulsa o uso do galego, e que foi motivo de fortes críticas por parte do concelleiro do PSOE na localidade, Modesto Rivas. Precisamente, no protesto, no que participaron máis de 200 persoas, reclamouse a dimisión do edil socialista pola súa intervención no último pleno municipal, intervención da que se fixo eco Sermos Galiza este sábado. Após ler Álex López, responsábel da Mesa na Costa da Morte, o manifesto de Miro Villar asinado por unha ampla representación social, sindical, comercial e veciñal da zona, o presidente da asociación en defensa do galego, Marcos Maceira, chamou a respectar a lingua e a cumprir nos concellos a cativa lexislación lingüística vixente. "O galego precisa protección. Só hai que ver as diferenzas que ten respecto ao español, que conta con perto de medio milleiro de disposicións legais que obrigan ao seu uso", sinalou, "as poucas disposicións normativas coas que conta o galego non se cumpren". En declaración a Sermos Galiza, Marcos Maceira insistiu en pedir a dimisión para o concelleiro do PSOE, por "fomentar e defender o odio e o supremacismo lingüístico e de xénero". "O que dixo Modesto Rivas non se pode consentir nunha sociedade democrática, máxime no caso dun representante do pobo", salientou. Marcos Maceira empraza militantes e votantes do PSOE a "saíren do armario lingüístico" e a "dar a cara polo galego" O presidente da Mesa asegurou que se dirixiron á entidade "voces de militantes e votantes do PSOE que están indignados e avergoñados polo defendido por Modesto Rivas". "Pedímoslles a estas persoas que saian do armario lingüístico e dean a cara dentro do seu partido a favor do galego e a favor da dimisión deste edil". Marcos Maceira tamén se referiu a outros casos de discriminación lingüística na administración local galega, como o acontecido no Carballiño, onde unha persoa non puido ser atendida na lingua propia de Galiza cando quixo dirixirse ao servizo de recadación municipal, que está privatizado. "Hoxe manifestámonos en Cee para evitar casos como este do Carballiño e para reclamar que os concellos ofrezan a posibilidade de que todas as persoas poidamos utilizar o galego nos servizos municipais", subliñou. |
PRAZA_18990 | En 2015 a taxa de pobreza seguiu en aumento, pasando do 16,41% ao 16,95% e situándose tres puntos por riba do nivel de 2008 (13,88%). O Índice de Gini, utilizado para medir a desigualdade nos ingresos, acadou en 2015 o seu valor máis alto nos últimos cinco anos (0,287) | A economía galega creceu un 3,2% en 2015, despois de facelo un 0,4% o ano anterior, e a taxa de crecemento (á falta dos datos do derradeiro trimestre do ano) manterase en 2016 ao redor do 3%. Porén, cando menos en 2015, esta mellora dos datos macroeconómicos non tivo efectos na redución das taxas de pobreza e exclusión social e dos niveis de desigualdade. Ademais, a pesar dunha certa recuperación no emprego, o pasado mes de outubro o Foro Económico de Galicia alertou das dificultades de Galicia para crear postos de traballo: dende 2008 Galicia só recuperou 1,6 dos 18,5 puntos de emprego perdido. En 2015 a taxa de pobreza seguiu en aumento, pasando do 16,41% ao 16,95% e situándose tres puntos por riba do nivel de 2008 (13,88%) A Enquisa Estrutural a Fogares, feita pública o pasado venres polo IGE, revelou que en 2015 a taxa de pobreza seguiu en aumento, pasando do 16,41% ao 16,95% e situándose tres puntos por riba do nivel de 2008 (13,88%). Tamén a taxa de pobreza e exclusión social creceu unhas décimas, ata chegar ao 22,55%. A pobreza afecta máis a determinados colectivos e grupos de idade, especialmente aos mozos e mozas entre 16 e 24 anos (32%), movéndose entre o 24% e o 26% no resto dos grupos, agás os e as maiores de 65, con datos inferiores grazas á barreira contra a pobreza que constitúen as pensións de xubilación (para este grupo e os seus familiares). Case catro de cada dez familias monoparentais (o 38,59%) viven en risco de pobreza ou exclusión social. Sete de cada dez destas familias dependen de mulleres De igual xeito, cómpre salientar a situación das familias monoparentais: case catro de cada dez (o 38,59%) viven en risco de pobreza ou exclusión social. En Galicia hai un total de 103.712 fogares nos que unha persoa soa está a cargo dos fillos e fillas e, entre eles, 37.417 nos que os mozos e mozas teñen menos de 25 anos. Son, ademais, maioritariamente mulleres, no 70% das ocasións. Tamén as persoas que viven soas sofren a pobreza por riba da media (no 26,62% dos casos). En Galicia hai ao redor de 375 mil fogares (ao redor do 35% do total) nos que os ingresos mensuais non chegan aos 600 euros por persoa En Galicia hai ao redor de 375 mil fogares (ao redor do 35% do total) nos que os ingresos mensuais non chegan aos 600 euros por persoa. Case medio millón de galegos e galegas (489.680, o 18% do total) declaran que non se poden permitir "manter as súas vivendas a unha temperatura adecuada". De igual xeito, o 35% dos galegos e galegas (case un millón) non se pode permitir "facer fronte a gastos imprevistos" ou que o 56% (un millón e medio) non se pode permitir "ir de vacacións unha semana ao ano". Ademais, 41 mil persoas afirman non poder permitirse "unha comida de carne, polo ou pescado cando menos cada dous días", un número afortunadamente moi inferior ao que se rexistraba en 2011 (140 mil). O Índice de Gini, utilizado para medir a desigualdade nos ingresos, acadou en 2015 o seu valor máis alto nos últimos cinco anos (0,287), crecendo catro milésimas con respecto ao 2014 e quince centésimas en relación ao 2008 Os datos da Enquisa Estrutural a Fogares tamén revelan que a desigualdade económica continúa a crecer en Galicia. O Índice de Gini, utilizado para medir a desigualdade nos ingresos, acadou en 2015 o seu valor máis alto nos últimos cinco anos (0,287), crecendo catro milésimas con respecto a 2014 e quince centésimas en relación ao 2008. O crecemento pode parecer pequeno, pero calcúlase que unha variación de dúas céntesimas equivale a unha distribución dun 7% de riqueza do sector más pobre da poboación (por debaixo da mediana) ao máis rico (por riba da mediana). Este incremento da desigualdade pódese aprezar tamén no indicador da distribución da renda S80/S20, o cociente entre o total do ingreso equivalente do quintil máis rico da poboación e o total do ingreso equivalente do quintil máis pobre. O resultado pasou de ser 4 en 2008, antes da crise económica a ser de 4,5 no 2015. É dicir, que o 20% da poboación máis rico ten catro veces e media máis renda que o 20% máis pobre. Finalmente, a Enquisa Estrutural a Fogares recolle tamén información desagregada por comarcas e para as sete cidades. Aínda que neste caso deben ser tomados con máis cautela, por tratarse de mostras máis pequenas, os datos amosan que Vigo e Pontevedra serían as urbes nas que máis persoas sofren situacións de pobreza e exclusión social e Lugo, Compostela e A Coruña as que presentan mellores indicadores. |
PRAZA_4065 | Feijóo reitera que hai "máis de 140 concellos que non teñen un só contaxiado", información que o Sergas non fai pública, e pide que neles o desconfinamento sexa máis rápido | O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareceu este mércores por internet para a prensa -con posibilidade de preguntas por esa mesma vía- e ao vivo pola CRTVG para, mentres no Parlamento se desenvolvía a sesión da Deputación Permanente, único órgano activo da Cámara dende que foi disolta para celebrar as adiadas eleccións de abril, valorar o avance do proxecto de "desescalada" presentado polo Goberno de España para relaxar progresivamente as medidas de confinamento impostas fronte á pandemia do coronavirus.Dende a reforma sanitaria de 2018, o Sergas está organizado en sete áreas sanitariasComo nas últimas semanas, Feijóo lanzou unha crítica á práctica totalidade dos plans do Executivo do PSOE e Unidas Podemos, tanto ás formas en que foi divulgado o documento como ao seu contido, que ve inzado de "sombras". Alén da crítica xeral, o presidente da Xunta si reiterou a preferencia que o Goberno galego xa sinalara en días pasados: pedirá ao Estado que o territorio de referencia non sexan as provincias, senón as sete áreas sanitarias nas que se organiza o Servizo Galego de Saúde dende a reforma do ano 2018, cuxa distribución xeográfica recolle o mapa sobre estas liñas. [Dos primeiros paseos ás visitas familiares: as actividades permitidas no desconfinamento]Segundo Pedro Sánchez, o Goberno central aceptará que a referencia sexan territorios diferentes das provincias se serven "para controlar a evolución da epidemia"Despois de que Pedro Sánchez avanzase que o Ministerio de Sanidade non terá "ningún problema" en aceptar "propostas alternativas" á provincia se "están suficientemente motivadas" e serven para "controlar a evolución da epidemia", Feijóo reitera que a Xunta argumentará a súa proposta ante o departamento que dirixe Salvador Illa. "A unidade para as fases" do desconfinamento, sinala, "non poden ser as provincias, senón ás áreas sanitarias", xa que se trata dun proceso "sanitario, non administrativo". Contra o serán deste mércores, o Goberno central reiteraba que está aberto a aceptar o desconfinamento por áreas, segundo fontes citadas pola Cadena SER.Precisamente por iso, critica tamén o que, ao seu xuízo, é falta de concreción de criterios sanitarios para iniciar o desconfinamento e os límites para pasar dunha fase a outra. O Goberno central reitera que a concreción de cada aspecto chegará en ordes ministeriais [Estes son os criterios sanitarios que determinarán o regreso de cada territorio á 'nova normalidade'].No caso de Lugo e Ourense, esta diferenza non variaría o fundamental, toda vez que dende hai dous anos están organizadas nunha soa área cada unha. Ata a reforma de 2018 dispuñan de cadansúas tres áreas, que agora son distritos sanitarios. As mudanzas si serían notables na provincia da Coruña, organizada nas áreas da Coruña-Cee, Ferrol e Santiago-Barbanza, esta última chegando ademais a varios concellos do Deza. Tamén na de Pontevedra, dividida nas áreas de Pontevedra-O Salnés e Vigo.Feijóo reitera que hai "máis de 140 concellos que non teñen un só contaxiado", información que o Sergas non fai pública, e pide que neles o desconfinamento sexa máis rápidoFeijóo, que nin na súa década como presidente da Xunta nin nos seus anteriores períodos como conselleiro de Política Territorial e vicepresidente do Goberno de Manuel Fraga cuestionara a organización provincial de Galicia, asegura agora considerar que "non parece razoable" tomar como referencia esta "figura administrativa creada en 1833". E menos, di, "estender ata o 22 de xuño" os límites para circular entre provincias se as súas "situacións epidemiolóxicas" son semellantes. Especialmente, cre, en concellos limítrofes con situacións epidemiolóxicas semellantes.Na súa comparecencia, o titular do Goberno galego volveu facer fincapé en que a Xunta manexa información segundo a cal "máis de 140 concellos galegos non teñen un só contaxiado" pola covid-19, polo que considera razoable que pasasen directamente á fase 3 do plan de desconfinamento, que permite unha maior apertura de servizos públicos e privados e mais de movementos. O Servizo Galego de Saúde non fai pública esta información a nivel municipal, malia ser reiteradamente solicitada polos medios de comunicación e mesmo polos propios concellos. |
NOS_36682 | Un informe do Banco de España sinala que a débeda representa o 18% do Produto Interior Bruto (PIB), aumentou un 8% en 2014 e xa rolda os 10.000 millóns de euros. | A débeda pública galega situouse a finais de 2014 en 9.961 millóns de euros, un 8,13% máis que a rexistrada en 2013. A débeda representa o 18% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galiza. En 2009, ano no que o PP de Núñez Feijóo chegou á Xunta, a débeda pública galega non chegaba a 5.000 millóns de euros: 4.859 millóns. Naquel ano supoñía o 8,4 do PIB. Seis anos despois, o 18%. En base ao informe do Banco de España, o 42,5% da débeda de Galiza correspóndese con empréstitos, supoñendo un valor de 4.231 millóns. As empresas públicas galegas acumulan unha débeda de 47 millóns de euros en 2014, o que supón un descenso do 40,5% no cuarto trimestre de ano a respecto do anterior. En todo o Estado, a débeda das administracións públicas situouse a finais de 2014 en 1.033 billóns de euros, o que supón o 97,67% do PIB español. |
NOS_39022 | A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) vén de anovar a súa directiva, que durante os dous próximos anos encabezará Roi Cuba. O biólogo lugués reflexiona con Nós Diario sobre esta nova etapa, que afronta con ilusión e centrado en dúas cuestións: a "invasión eólica" e a "eucaliptización". | Após exercer como vicepresidente de Adega nos últimos anos, como afronta esta nova etapa á cabeza da organización? Primeiro de nada, gustaríame agradecer a Virxinia Rodríguez (ex presidenta) o traballo realizado no seu mandato. Para min é un pracer representar esta organización á que tanto agarimo lle teño. Estou moi satisfeito por achegar o meu gran de area e seguir aprendendo. Vai ser doado porque temos un equipo fantástico, a directiva é moi ampla e contamos con especialistas en distintos sectores. Adega leva desde 1976 participando de todas as loitas ambientais do país e defendendo a poboación, e neste tempo houbo pequenas e grandes vitorias. Penso que Galiza lle debe moito a esta asociación. Que retos se marca para os próximos dous anos? Na última asemblea falamos das liñas estratéxicas a seguir, e agora mesmo o que máis nos preocupa é a avalancha de proxectos eólicos que temos na Galiza. Tamén pomos o foco na eucaliptización que padecen os montes do país. Aliás, gustaríame salientar que Adega incide moito nos labores formativos e de divulgación para pór en valor o patrimonio ambiental galego. Son iniciativas das que me encanta participar, como o Proxecto Ríos ou o fomento da compostaxe. Traballamos en diferentes eidos nos que achegamos cousas moi positivas. Fai vostede alusión ao inzamento de parques eólicos no territorio galego. Que aspectos cómpre mudar da política enerxética? A principal medida que reclamamos á Xunta é a aplicación dunha moratoria da autorización destes proxectos. En 2020 producimos 18% da enerxía eólica do Estado, nunha superficie moito menor que a doutros territorios. O que están facendo é utilizar Galiza como un espazo de produción enerxética, aplicando unha política colonial como tamén fan coa elaboración de celulosa. Como asociación ecoloxista estamos a favor das renovábeis, mais non á custa da destrución da biodiversidade. Adega ten denunciado en numerosas ocasións a "fragmentación artificial" de grandes proxectos eólicos en pequenos parques, que consecuencias ten isto nos territorios afectados? A fragmentación dos macroparques é unha das fraudes que se están a cometer na Galiza, porque impide que se faga unha avaliación ambiental completa. Adoita haber eivas nas listaxes de especies que aparecen como afectadas, mais tamén se perciben as carencias destes estudos de impacto no patrimonio cultural. Téñense construído parques eólicos en lugares onde non se tiveron en conta bens patrimoniais como petróglifos, mámoas, dolmens... Considera que as empresas poden ver un filón na Galiza para os seus negocios? Temos un caso terríbel de portas xiratorias coa incorporación de Beatriz Mato (ex conselleira de Medio Ambiente) a Greenalia, unha das empresas cuxos parques causarían un maior impacto de se aprobaren. O modelo actual prima a obtención de beneficios para as empresas, boa parte delas de fóra do país, e sen deixar á poboación galega nada máis que as migallas. É un espolio total dos nosos recursos, e desde Adega pensamos que o vento non ten que estar sometido a estas concesións, senón que é un ben de utilidade pública e, de explotarse, debe facerse perto dos lugares nos que se vaia consumir a enerxía producida. E debe repercutir beneficiosamente sobre as zonas nas que se instalan os parques eólicos. No tocante á política forestal, que problemas afrontan os montes galegos? Estanse a facer políticas forestais sen ter actualizado o inventario forestal da Galiza, totalmente caducado. Fálase de que o eucalipto ocupa arredor de 400.000 hectáreas, mais é practicamente seguro que superamos o medio millón. Recentemente saíu a moratoria, e como se anunciou antes de aplicala moitos propietarios puxéronse a plantar eucaliptos antes de que llo prohibisen. Esta leva anos sendo unha das nosas grandes preocupacións, e temos feito moito traballo de sensibilización. Apostamos por un monte máis diverso que beneficie as poboacións rurais e a biodiversidade. Falaba antes das vitorias de Adega, cal lle gustaría lograr a vostede? Que se retirasen os grandes encoros do río Miño e inzase a biodiversidade. É un obxectivo utópico, mais debemos marcarnos este tipo de metas como asociación ecoloxista. O ideal sería que unha organización como Adega non tivese que existir. "Un paso máis aló" na protección do medio Unha das cuestións sobre as que a directiva de Adega puxo o foco na última asemblea é a custodia de terreos para a reparación ambiental. "Tentamos non centrarnos só na conservación do territorio, senón ir un paso máis aló. Como o noso medio ambiente xa está moi danado, queremos falar tamén de restauración, de recuperar valores naturais ou culturais que se perderon", explica Cuba. Malia que a Xunta é a responsábel de estabelecer zonas protexidas, Adega aposta por traballar tamén en pequenos espazos, con proxectos ecoloxistas como a Eira da Xoana (Ramil, Agolada) ou o Couto da Eirexiña (Rebordelo, Cerdedo-Cotobade). "Queremos trasladar a toda a poboación eses exemplos que xa temos nas parcelas que custodiamos. Pódese facer un traballo moi interesante para a biodiversidade até montando un composteiro nunha vivenda", di. |
NOS_45300 | A formación nacionalista vén de presentar unha solicitude mediante a que se demanda a máxima transparencia sobre a situación da Covid-19 no centro. | O BNG de Outeiro de Rei solicita a creación dunha comisión de seguimento da situación na residencia de DomusVi e na estean representados todos os grupos municipais. A formación nacionalista demanda "a máxima transparencia na xestión da incidencia da Covid-19 no centro" onde, segundo os datos que facilita o Sergas, se rexistran máis de medio cento de persoas contaxiadas, entre maiores e traballadoras. A concelleira Elvira Lombao sinalou que "a situación da residencia está a xerar moita preocupación entre os familiares das persoas residentes e tamén das traballadoras". "Como representantes municipais", explica a edil, "temos a obriga de esixir que a situación se xestione coa máxima transparencia, tanto por parte da dirección do centro privado como das consellarías de Sanidade e Política Social". "Esa comisión de seguimento debería servir para coñecer datos precisos sobre os contaxios e as decisións que se están a tomar para deter o avance do virus", expuxo Elvira Lombao, e engadiu que desa maneira "os grupos políticos poderemos propor e acordar medidas que melloren a situación do centro". A edil tamén sinalou que "a Covid´-19 está a por ao descuberto as deficiencias do modelo que impulsou o Partido Popular en toda Galiza", e reafírmase "na necesidade de impulsar un cambio de modelo que aposte pola xestión pública e o dereito a un vellez digna". Elvira Lombao pediulle ao goberno municipal que "acepte a proposta do Bloque para atender as preocupacións da veciñanza ante a pandemia". Nese sentido, criticou que "os orzamentos do concello non recolleran ningunha medida para minguar o impacto económico e social da crise sanitaria entre a veciñanza". |
NOS_5454 | O Ministerio de Sanidade fai esa estimación e alerta, a través do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, de que "os casos seguen aumentando" en todos os grupos de idade. | A directora adxunta do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), María José Sierra, vén de comunicar esta terza feira que até o 75% dos casos da Covid-19 activos e que se están a diagnosticar nestes días, durante a quinta onda, corresponden a menores de 40 anos. En substitución do director do CCAES, Fernando Simón, Sierra advertiu de que "os casos seguen aumentando" en todo o territorio español. Desta forma, sete "comunidades autónomas están por encima dunha incidencia de 500". Aliás, as peor paradas son Catalunya, Castela e León e Nafarroa, que se atopan por encima de 800. A pesar de que, para as expertas e expertos, as persoas maiores de 40 anos teñen unhas incidencias "moi inferiores", a epidemióloga advertiu de que "a incidencia está a aumentar en todos os grupos de idade". Ante o ritmo de aumento da evolución epidemiolóxica, prevén "cifras preocupantes" en ingresos hospitalarios en próximas semanas. Sen chegar á presión asistencial doutras ondas, na Galiza xa aumentou a demanda de camas. Neste contexto, a responsábel do centro de coordinación advertiu de que se produciu un 65%de aumento na ocupación de camas hospitalarias na última semana e do 45% nas unidades de coidados intensivos (UCI). "Aínda que a velocidade de ascenso dos casos está a diminuír, seguimos nun momento moi delicado no que todos deberiamos ter moita precaución. O virus segue circulando dunha forma ampla. Temos unha circulación de virus importante neste momento", resumiu Sierra. |
PRAZA_5293 | A Consellería de Economía obvia os requirimentos do Alto Comisionado, que pedía saber se a a tramitación ambiental seguía en vigor, e respóndelle cos motivos da cancelación da mina. Salvemos Cabana lamenta a "opacidade e falta de transparencia" do Goberno. | A Xunta respondeu por fin, e logo de inxustificados atrasos, aos requirimentos que o Valedor do Pobo lle fixo sobre a validez ou non da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do proxecto mineiro de Corcoesto que foi cancelado. Pero nada aclarou. A Consellería de Economía e Industria limitouse a enviar os motivos da resolución de suspensión que lle fora comunicada á empresa Edgewater, pero "sen aclarar oficialmente se a devandita anulación implica ou non o decaemento da tramitación ambiental". A Xunta, logo de varios atrasos, limitouse a informar dos motivos da cancelación do proxecto sen aclarar se a DIA está vixente Así o asegura a plataforma Salvemos Cabana, que foi informada polo propio Valedor desta resposta da Xunta que non resolve a dúbida que todos os colectivos contrarios á mina de Corcoesto teñen desde que o Executivo anunciou a cancelación definitiva do proxecto: Segue a DIA, que ten cinco anos de vixencia, en vigor? Edgewater asegurou hai tan só dúas semanas que xa negocia cun socio para relanzar o proxecto mineiro e lembrou que o Goberno galego, "logo de recentes consultas", confirmoulle que a tramitación ambiental "ten validez durante cinco anos, ata decembro de 2017". Incluso o alcalde de Cabana de Bergantiños, onde se asentaría a maioría da mina a ceo aberto, manifestara queu a paralización da iniciativa "só é o punto de arranque dun novo proxecto". A "falta de transparencia" e opacidade da Administración autonómica continúa a sementar dúbidas sobre o futuro da mina a ceo aberto. Agora, e tal e como sinala o escrito remitido polo Valedor a Salvemos Cabana, no informe da Xunta tan só "se resolve a denegación da aprobación do proxecto ante a insuficiente acreditación da solvencia económica e técnica do solicitante", sinalando que esta decisión deuse "en aplicación da lexislación sectorial vixente e co apoio expreso dun informe da asesoría xurídica da Xunta de Galicia e outro do IGAPE, este último relativo aos aspectos técnicos". Nada se di na DIA e, polo tanto, de se a chegada dun novo proxecto mineiro só depende da súa capacidade financeira. A opacidade da Xunta arredor da DIA sementa dúbidas sobre un posible relanzamento da mina a ceo aberto A Oficina do Valedor considera que a Xunta non ten a obriga de aclarar se a DIA segue en vigor na resolución enviada á empresa mineira "pois ese tema non forma parte do resolto de forma congruente co solicitado". Non obstante, o Alto Comisionado fai patente que mantén o criterio xurídico ao respecto feito público en outubro de 2013, cando sinalou que "dado o rexeitamento global do proxecto, este ten como consecuencia que decaian todos os actos de trámite deste, entre eles a avaliación ambiental" pois "non resulta aplicable o previsto para a posible caducidade das declaracións, posto que a pervivencia durante un prazo prevese para os casos en que se deu a autorización ou aprobación do proxecto e este non comezase a executarse (art.14 do Real Decreto Lexislativo 1/2008)" o que ademais foi reiterado esta semana no informe anual da institución. Xa que logo, o Valedor considera que a DIA non está vixente en ningún caso porque estaría vinculada unicamente ao proxecto. No caso de que outra empresa apostase por unha mina a ceo aberto, tería que empezar de cero. Malia todo, a Xunta segue sen aclarar se iso é así. O Valedor segue a considerar que a DIA non está vixente, pero a Xunta non llo aclara Ante esta situación, Salvemos Cabana "lamenta unha vez máis a opacidade da Consellería de Economía e Industria en todo o que rodeou dende o principio ao proxecto mineiro de Corcoesto e as trabas impostas para acceder ao expediente". Ademais, advirte que estudará "todas as vías legais ao seu alcance para que se fagan valer os seus dereitos e a poboación poida estar informada sobre un tema de primeira orde debido ás súas numerosas implicacións socioambientais non só na comarca de Bergantiños, senón a nivel galego". "As actuais autoridades da Xunta parecen obviar que, tal como sinala a Lei 19/2013, a transparencia, o acceso á información pública, e as normas do bo goberno deben de ser os eixos fundamentais de toda acción política", insiste a plataforma, que lembra que "os países con maiores niveis en materia de transparencia e normas de bo goberno contan con institucións máis fortes, que favorecen o crecemento económico e social e permiten unha mellor fiscalización da actividade pública, o que contribué á necesaria rexeneración democrática e promove a eficiencia e eficacia do Estado". |
NOS_7910 | "Viaxantas" é un podcast en lingua galega que trata sobre viaxes, experiencias e boa comida. A súa creadora, a xornalista Cristina Terceiro, percorreu o mundo e a Galiza, visitando lugares máis coñecidos e algunhas paraxes e "paraísos" menos habituais. Para Terceiro, o feito de viaxar é unha oportunidade perfecta para entender mellor como funciona cada rexión e cada cultura, ao tempo que abre os ollos de como é a nosa propia cultura. "Viaxantas" está dispoñíbel en Spotify, iVoox e ApplePodcasts. | -Por que decidiu pór en marcha o seu podcast? "Viaxantas" é un podcast de aventuras sonoras. Naceu durante os meses duros de confinamento que todas vivimos. Xa que estaba na casa e non podía viaxar nin coñecer novas culturas, que é unha das cousas que máis me gusta, empecei a ver recordos e fotografías das viaxes pasadas, e aí ocorréuseme unir dúas paixóns: o xornalismo e as viaxes. "Viaxantas" é unha maneira que eu tiven de desafogarme durante o confinamento, e pouco a pouco foime dando cada vez máis satisfaccións. O obxectivo principal é non só contar as miñas experiencias, senón traer outras persoas que poidan achegar e axudarme a falar deses destinos. Nos episodios non só viaxamos arredor do mundo, xa que a idea tamén é dar a coñecer algúns dos tesouros paisaxísticos que temos na Galiza: mesturar o turismo de aventura e internacional co turismo de proximidade, eses lugares do país que, aínda que todos poidamos coñecer, teñen segredos que a xente da zona pode contar no podcast. -En "Viaxantas" fala só das viaxes que levou a cabo antes da pandemia? Maioritariamente si, porque son lugares nos que eu xa estiven e teño un mínimo coñecemento. Mais se algunha das invitadas comeza a falar doutro lugar ao que eu non fun, non pasa nada, tampouco é unha limitación. Intento falar coa maior propiedade posíbel e para iso é moi importante que eu estivera xa neses sitios. -Que pode atopar unha ouvinte dentro de cada episodio? Intento comezar con algún tipo de pregunta ou con algo que poida espertar a curiosidade na xente que vai escoitar. Despois vén unha pequena introdución, e intento traer un convidado, aínda que non sempre é posíbel. O que fago é contar o máis destacado de cada lugar, o que a min máis me asombrou de cada viaxe. Se, por exemplo, falo dun lugar moi coñecido, non me quedo só no básico, senón que intento achegar datos que sexan descoñecidos, dar algúns consellos de aspectos que a min me serviron e ao mellor no momento de facer a viaxe non sabía. Todo desde unha perspectiva persoal. Ao mesmo tempo, se vexo que existen dúbidas ou se as ouvintes me preguntan algo, intento dar a miña experiencia nese sentido. Todo vai variando un pouco en función dos lugares dos que falo e do que vivín en cada un deles. -Se tivese que quedar cunha das viaxes que levou a cabo até o de agora, sería...? Sempre é difícil escoller. A verdade é que cada viaxe ten algo moi especial e está vinculada a un momento moi concreto da nosa vida. Pero, posibelmente, a viaxe á Patagonia arxentina foi unha aventura que me gustou moito e que foi moi especial. Tamén porque quizais sae un pouco do habitual e chama a atención. Algo que teño claro é que cada lugar ten a súa maxia. É difícil elixir un, porque cada un deles te namora por algo en concreto. Ademais, inflúe moito o momento vital no que chegas a cada sitio. Seguramente cando es adolescente gústache unha cousa e a medida que creces vas evolucionando. -A nivel persoal, como cambiaron a súa perspectiva do mundo todas as viaxes que tivo a sorte de facer? Para min, as viaxes son fundamentais, sobre todo para entender mellor o noso mundo. Porque nós criámonos nun círculo, cunhas persoas, nun barrio ou vila determinada cunhas características propias, e viaxar ábreche a mirada. Estiven vivindo na Arxentina catro anos e cambioume a perspectiva por completo. Non se trata só de ir ás atraccións turísticas, senón tamén vincularse coa xente local, para poder entender mellor o mundo e opinar do que ocorre no día a día doutros países e culturas. |
PRAZA_11160 | Pódese gozar do traballo de persoas coma el, sen mitificalos e sempre pensando que detrás do mito, como detrás de toda tecnoloxía están seres humanos de carne e oso, coas súas luces e as súas sombras, e non pode ser doutra maneira. | Richard Stallman (1953-...), acaba de dimitir recentemente dos seus cargos na Free Software Foundation. Trátase dunha noticia importante dentro do mundo do software libre. É doado atopar información sobre el e os seus méritos na rede. Resumindo, pódese dicir que é un dos fundadores dun movemento que dá sentido social e até filosófico á tecnoloxía que invade as nosas vidas. Desde ese punto foi e seguirá sendo un referente para máis dunha xeración de informáticos e demais xente que pertencen a ese mundo. Sucede tamén que esta dimisión foi abertamente forzada debido unha sucesión de queixas acerca do seu comportamento non só na súa vida privada, senón en numerosos actos públicos, nos que representa a esa fundación, da que el era presidente e fundador. Tamén perdeu outros privilexios noutra institución, o MIT. Estes feitos provocaron unha fonda polémica nas redes, xa que está incluída nos debates do momento, como por exemplo o movemento #MeToo.Principalmente vexo dúas posturas opostas, as dúas igualmente perigosas. É difícil valorar se son maioritarias, porque o `barullo´ nestes casos vén dos extremos. Unha postura de por si, non por ser extrema ten que estar errada ou ten por que deixar de ser apoiada. Mais neste caso, vou entrar a analisalas. Son os dous polos dunhas polémicas que aparecen moito en tempos recentes.Pódese gozar do traballo de persoas coma el, sen mitificalos e sempre pensando que detrás do mito, como detrás de toda tecnoloxía están seres humanos de carne e osoPor un lado están aqueles que cren que o seu comportamento privado non é motivo para que deba dimitir, e que se debe a unha persecución puramente ideolóxica. Este argumento obvia que unha persoa responsábel dun movemento ou organización, debe ter unha imaxe pública e un comportamento tamén ético coas persoas que o rodean. E non estou falando de puritanismo, se non de non traspasar as barreiras do respecto mutuo coas persoas que se achegan a el. Do contrario estaría perxudicando ese movemento, como é o caso de Stallman, sen entrar en ominosos detalles. Nun artigo anterior referinme ao Asperger e aos comportamentos autistas habituais nos desenvolvedores de software. Talvez unha persoa coma el, quen ten pouco decoro no seu comportamento público, nunca debera estar tan exposta, por moi importante que fóra a súa mensaxe.E por outra banda, están aqueles que debido eses comportamentos seus, aproveitan o feito da súa dimisión e exposición pública das súas miserias persoais para rebaixar e desleixar o seu traballo, coma se o feito de ser reprobada a súa figura pública, servira tamén para descualificar o seu traballo de décadas en favor do ben común e da difusión do coñecemento. Algo eticamente fóra de lugar, xa que a vida dunha persoa non debe descualificar a súa obra, por moito que en ocasións non se poda separar unha da outra.Na sociedade téndese a crear santos, mártires e tamén demos. Richard Stallman, non é nada diso, é unha persoa como outra calquera que por unha serie de circunstancias, en gran parte debido ao seu traballo persoal, á sua misión na vida e outras seguramente máis aleatorias, foi elevado a figura pública. Algo que poucas persoas saben o que é, mais entre outras propiedades, semella ser unha carga para eses escollidos.Pódese disfrutar do traballo de persoas coma el, sen mitificalos e sempre pensando que detrás do mito, como detrás de toda tecnoloxía, desde a xente que fai os vídeos que se transmiten pola rede ata a que fai as carcasas dos móbiles nos que eses vídeos se fan virais, están seres humanos de carne e oso, coas súas luces e as súas sombras, e non pode ser doutra maneira. Pensar que non son deste mundo, só leva a crear máis dor e máis problemas tanto para eles como para os que os rodean. |
NOS_16527 | A CIG-Ensino denuncia os cortes orzamentarios que pretende aprobar o executivo galego ao ensino público. Aliás denuncia que as reducións supoñen o dobre que as aplicadas á escola privado-concertada. | O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao denunciou esta cuarta feira que o anteproxecto de lei presentado polo goberno de Alberto Núñez Feijóo para os Orzamentos 2013 supón "unha aposta polo ensino privado concertado" e a "liquidación do público". Desde o sindicato nacionalista consideran que o trasvase de máis de 200 millóns de euros que prevé aprobar o actual executivo galego constitúe unha redución de apenas o 3% no ensino privado, fronte ao 6,63% que prevé ser recortado ás escolas públicas. Neste senso, Louzao considerou que os Orzamentos presentados reflicten o "reforzamento da privatización" que o Partido Popular está a desenvolver desde a súa chegada á Xunta de Galiza. Así mesmo, considerou "intolerábel" o aumento dun 5,8% dos fondos públicos destinados á FP privada-concertada, entrementres se continúan a pechar unidades de ensino no rural ou se lle diminúe o "salario ao profesorado", apuntou o secretario nacional da CIG-Ensino. Desde 2009, "a redución que experimentaron os orzamentos da Consellaría de Educación é asombrosa", subliñaron en comparecencia de imprensa desde o sindicato nacionalista, indicando que a redución padecida no ensino público desde entón suma xa máis de 600 millóns de euros. Para a CIG-Ensino estes orzamentos "encádranse na política neoliberal que o PP está aplicando aos servizos públicos" e alertaron do "perigo" que isto supón para "un dereito universal" como a educación. |
NOS_29547 | Política Social afirma que hai 634 persoas afectadas nos centros de maiores. Os focos que máis aumentaron hoxe foron os da DomusVi de Carballo, a Santa María de Verín, a residencia de Bande e O Casón de Moeche, que se incorpora á lista dun día para outro con 7 infectadas. | Os puntos de contaxio nas residencias de maiores de todo o país non deixan de medrar. Ademais de aumentar os focos nas infraestruturas que levan días afectadas, tamén están a xurdir novos gromos noutros centros como é o caso do Casón, en Moeche, con sete positivos e a Asunción de Caldas de Reis, que hoxe detectou cinco enfermas de coronavirus. Malia que novamente houbo negativos ás probas por curación e falecementos entre a comunidade de usuarios da Galiza, esas baixas non son quen de compensar o incremento acelerado dos contaxios e, por exemplo, na última xornada o número de afectadas creceu practicamente un 8%. O global de persoas vinculadas aos xeriátricos que dan positivo actualmente, segundo Política Social, é de 634 entre usuarias e usuarios e membros dos cadros de persoal. As incorporacións á listaxe da Xunta déronse en 19 infraestruturas, entre as que destacan a de Bande con 14 infectados e a DomusVi de Carballo con 13. Tamén hai oito casos máis na Santa María de Verín. Aliás, o balance indica dous novos surtos en residencias que até agora estaban libres de Covid-19, por lo menos nesta terceira onda: O Casón de Moeche con 7 doentes e a Asunción de Caldas de Reis con cinco. Os centros peor parados A nivel global os centros máis afectados, no que se refire ás e aos 422 residentes con PCR positiva, continúan a ser o de DomusVi Ribeira (64); Paz e Ben de Tui (60); DomusVi Carballo (42); DomusVi Vimianzo (39); Fogar Santa María en Verín (36); Quercus de Leiro (27); San José de Arzúa (21) e A Pastoriza (20). No entanto, outros focos máis pequenos tamén son preocupantes. No relativo ás operarias, os tres primeiros postos en contaxios son para a Paz e Ben de Tui (30); a Pastoriza (23) e a DomusVi Ribeira (21). En calquera caso, xa hai 212 traballadoras afectadas polo virus. Nas instalacións de atención á diversidade funcional, segundo a consellaría que dirixe Fabiola García, xa se superan os 100 casos, sendo a peor parte para a Pai Menni de Betanzos con 55 enfermas e enfermos. |
NOS_36549 | As contas contemplan a suba de impostos a grandes empresas e patrimonios. | O Goberno español escenificou a primeira hora de hoxe na Moncloa a unidade na proposta dos orzamentos xerais do Estado que sae do Executivo para procurar apoios parlamentares. Unha unidade que non se fechou até a noite de onte, co acordo entre ambas as patas, PSOE e Unidas Podemos, do Goberno, e que se traduce nunhas contas que, en palabras de Pablo Iglesias, vicepresidente segundo, "deixan atrás a austeridade" e a aposta nas fórmulas neoliberais. O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e Pablo Iglesias compareceron na Moncloa, xuntos, flanqueados polas bandeiras española e da Unión Europea e diante dun 'panel que anunciaba que 'habemus orzamentos'. Unhas contas que contemplan a suba de impostos para grandes empresas e dun punto para patrimonios por riba dos 10 millóns de eruos, así como suba de 3 puntos no IRPF para rendas de máis de 200.000 euros. Aliás, reduciranse as desgravacións de plans de pensións e establecerase unha tributación mínima de 15% para socimis (sociedades cotizadas de investimento inmobiliario). Son, incidiron Sánchez e Iglesias, uns orzamentos expansivos. Sánchez destacou que os novos OXE son a "peza clave" para a recuperación económica e supón deixar atrás a austeridade e os recortes, para dar paso a unha "enerxía" e unha "vontade" do Executivo español de "saír adiante" tras a pandemia cun investimento público social histórica, de 239.765 millóns, un 10,3% máis, incluíndo un adianto de 27.000 millóns dos fondos europeos. "A resposta dos OXE vai estar á altura do impacto, debuxa un antes e un despois do modelo económico e non se vai a deixar a ninguén atrás, reducindo desigualdades e fortalecendo os servizos públicos", dixo. Iglesias destacou que se inaugura "unha nova época en política económica que deixa atrás definitivamente a etapa neoliberal e de recortes e pon España na senda de recuperación de dereitos laborais e sociais e reforzo de servizos públicos". |
NOS_46849 | Converteuse no primeiro secretario de Estado estadounidense en visitar nunha viaxe oficial unha colonia israelí en Cisxordania. | Polo menos catro palestinos resultaron asfixiados na cuarta feira tras inhalar gases velenosos lanzados polos soldados israelís para dispersar unha multitude congregada na localidade da Al-Bireh, na Cisxordania ocupada, fronte ao asentamento ilegal israelí de Psagot, para protestar pola visita do secretario de Estado estadounidense, Mike Pompeo, segundo informou a Media Lúa Vermella Palestina. Pompeo acudiu onte a Psagot, converténdose así no primeiro secretario de Estado estadounidense en visitar nunha viaxe oficial unha colonia israelí en Cisxordania. A viaxe fai parte da súa xira de despedida de Oriente Próximo. Ademais apoiou a exportación dos produtos coa etiqueta "Fabricado en Israel". Os manifestantes condenaron, con gritos, a visita de Pompeo a Psagot e cualificaron a medida como outro intento da saliente Administración estadounidense, presidida por Donald Trump, de lexitimar a ocupación israelí e apoiar os plans do réxime de Tel Aviv de expandir colonias ilegais. O ano pasado, o máximo diplomático estadounidense xerou duras críticas a nivel internacional ao afirmar que os asentamentos israelís "non son incompatíbeis" coa lei internacional, opinión que non ampara o consenso mundial. Expansionismo israelí A ONG israelí Paz Agora repudiou, á súa vez, por medio dun comunicado emitido onte a controvertida visita de Mike Pompeo a Psagot, e denunciou ademais que, con esta medida, Washington busca legalizar o expansionismo israelí. "Afortunadamente, este último patético intento de minar as prospeccións de paz normalizando os asentamentos fracasará de mala maneira, ao igual que o fixo o plan de Trump" para a paz, segundo declarou un portavoz desta ONG israelí. |
NOS_35026 | Suso Seixo deixa a secretaría xeral da CIG, após 16 anos exercendo esta responsabilidade, para pasar o relevo a Paulo Carril, actual secretario de Organización e que encabeza a candidatura de consenso no VII Congreso da central nacionalista que decorre esta fin de semana en Compostela. | Suso Seixo (Curtis, 1952) estivo á fronte da Confederación Internacional Galega 16 anos, un período no que se deron importantes cambios non só no sindicato mais tamén no país e na clase traballadora. Ás portas do VII congreso da CIG, que decorre esta fin de semana, chama a manter o pulso da realidade e dos novos retos e salienta que a CIG estea a piques de ser a primeira central en representación en Galiza ("xa o somos en afiliación e capacidade de mobilización") sen para elo renunciar nin aos principios nin ao seu modelo de práctica sindical. "Isto é unha obra colectiva", insiste. Construída a pesar dos "poderes fácticos" existentes no país e ·"aos que non lles somos gratos". - Neste congreso deixas a secretaría xeral da CIG, responsabilidade que exerciches durante 16 anos. Ás portas desta cita congresual, se miras para atrás, que ves? - Que o tempo pasa moi rápido. Aínda teño a imaxe do día en que fun eleito para esa responsabilidade. Foron anos nos que neste sindicato houbo cousas moi positivas. Por exemplo, cando eu me presentei había catro candidaturas tanto á executiva como á secretaría xeral e agora hai unha única candidatura, de consenso. Daquela eramos a terceira central sindical de Galiza e hoxe somos a primeira en canto a afiliación, capacidade de mobilización, infraestrutura e a piques de selo en delegados. Neste sentido, pois, hai unha evolución positiva. O máis negativo é todo o derivado do empeoramento das condicións laborais por mor da crise e das contrareformas laborais destes anos. "Somos o primeiro sindicato en afiliación e mobilización. Podemos fechar 2017 séndoo tamén en representación" - Comezaches no sindicalismo nacionalista moi novo e case desde os seus inicios - Empecei organizado en Erga (Estudantes Revolucionarios Galegos), en Compostela, serían os anos 1974-75. Xa no 1976 e 77 colaborei no que fora a constitución do que daquela se chamaba Sindicato Obreiro Galego (SOG). Ou sexa que desde mediados dos 70 estou no sindicalismo nacionalista. - Se vos contan daquela o salto que ao longo de todos estes anos vai experimentar o sindicalismo nacionalista o máis certo é que non o crerades... - Era difícil de imaxinar, desde logo. Estabas a comezar, a crear os primeiros xermes sindicais, con dificultades enormes, estabamos en anos de clandestinidade, non había recursos de ningún tipo, había pouco coñecemento entre os traballadores do que representabamos, disputabámoslle o espazo a centrais estatais... E todo nun momento de convulsión económica e política. Eran anos con moitas incertezas mais anos tamén dunha actividade enorme. Foron anos dunha aprendizaxe rápida, tivemos que espabilar para poder saír adiante en circunstancias tan adversas. E, claro, que 40 anos despois teñamos o grao de introdución social que temos en Galiza, que sexamos a primeira central sindical en moitos aspectos...Ademais, todo isto construímolo sen renunciar nin aos nosos principios nin ao noso programa nin á nosa práctica sindical. Uns principios e unhas prácticas, por certo, que non contan precisamente co apoio dos grupos fácticos, nin patronal nin poder mediático nin poder político. Non lles somos precisamente unha organización simpática. "Para afrontar a situación actual non val calquera tipo de sindicalismo" - Con todas esas circunstancias chegar a onde se chegou é froito de... - Creo que se amosou que a nosa mensaxe era acertada, que o proletariado galego precisaba de organizacións propias que entenderan a súa problemática e ofrecese alternativas. Mais chegar a onde se chegou é tamén grazas ao esforzo de miles de compañeiros e compañeiras, a CIG non sería o que é se aquí non houbese miles de traballadores e traballadoras, delegados e delegadas que deron e dan a cara por un proxecto sindical como este. Isto é unha obra colectiva. - Na presentación deste sétimo congreso dixeches: "Non serve calquera tipo de sindicalismo". Unha frase coa que en certo xeito marcar unha liña diferenciadora da CIG a respecto doutras centrais, nomeadamente as estatais CCOO e UXT - No congreso queremos poñer en valor o que significa o sindicalismo de clase e, no noso caso, de clase e nacionalista, e a necesidade do mesmo. O neoliberalismo vende o discurso de que a loita de clase é algo trasnoitado, que non ten sentido. Nós pretendemos demostrar o contrario. A loita de clases e as diferenzas sociais estanse a agudizar. O capital está aproveitar a propia febleza da clase obreira para tirar abaixo dereitos que tiñamos conquistados e acumular máis poder. Imos cara a un modelo de relacións laborais cada vez máis individualista e iso bate co que é a propia organización dos traballadores. Nese esquema, os sindicatos somos un problema, porque somos os que combatemos que se implante ese modelo. Mais certo, non serve calquera tipo de sindicalismo. Hai un sindicalismo que tende a integrarse no sistema, colaborar co poder, continuar na política de pacto social como obxectivo estratéxico... Nós entendemos que ese modelo non serve, só serve para perder dereitos, para desmobilizar e para despolitizar a clase traballadora. E o camiño é o contrario. Hai que politizar a clase traballadora, ideoloxizala, levar aos centros de traballo o debate sobre o modelo económico, sobre alternativas... Estes debates son fundamentais. - A crise acelerou un modelo laboral onde manda a temporalidade e a precariedade. Unhas circunstancias que dificultan máis a posibilidade de organización e resposta en termos clásicos do sindicalismo. Algo que se nota principalmente na mocidade. Está o sindicalismo a saber adecuarse a estas novas realidades? - É unha problemática que afecta principalmente á mocidade mais non só. No congreso imos incidir na necesidade de ser un sindicato moi próximo aos centros de traballo, facer un sindicalismo máis áxil, operativo e próximo. Non é que hoxe non o esteamos a facer mais comprobamos que hai que mellorar, ter unha maior implicación, seguimento e, sobre todo, moito contacto coa xente. Había unha dinámica de anos pasados nos que, por resumilo dalgún xeito, a afiliación entrábache pola porta. Hoxe non é así, hai un distanciamento e os sindicatos debemos estar moi alerta desta situación, debemos saber ofrecer alternativas, afrontar os problemas laborais... Que os traballadores nos vexan próximos e operativos. Iso é no que temos que incidir. Non pode ser que a xente que sufra unha problemática laboral tan dura e precarizada vexa a mobilización e o sindicalismo como algo alleo, non como unha alternativa. - Estes foron anos nos que a CIG aumentou en filiación, en representación, en dimensión social... Malia que non foron anos estes nos que o nacionalismo ou soberanismo, por definir a idea da que fai parte o sindicato, estivese nos seus mellores momentos nos outros eidos fóra do sindical... - Son campos distintos e a percepción da sociedade tamén é diferente. É certo que na sociedade galega estase a dar nos últimos anos un proceso de españolización moi grande e iso ten a súa repercusión en non poucos eidos: cultural, político...No sindical quizás menos porque responde máis ao que é a conflitividade nos centros de traballo e aí a xente mira para aqueles que dan a cara por eles aínda que non teñan unha identificación ideolóxica total co modelo que propón ese sindicato. Hai outra cuestión a ter en conta: na CIG non se deron divisións, a maioría do espectro nacionalista vese implicado aquí. No campo político houbo unha división grande, houbo un traballo de ruptura do nacionalismo e un desgaste enorme mesmo desde o punto de vista social. - É factíbel que 2017 cando remate sexa o ano no que a CIG sexa a primeira forza de Galiza en delegados? - Eu teño o convencemento de que vai ser así. Os delegados sindicais teñen vixencia por catro anos, nese período hai anos con maior concentración de eleccións e outros con menos. O proceso destes catro rematou en 2015, onde se elixiron o 60% dos delegados. E no 2015 fomos a primeira forza sindical e no 2016 tamén fomos primeira forza. Hai, pois, unha tendencia clara. Se no 2017 se confirma, e tendo en conta que estamos escasamente a 20 delegados da primeira forza, pois seremos a primeira forza en representación. E teño que dicilo: se houbese verdadeira democracia nas empresas seriamos primeira forza xa hai anos nos centros de traballo. Mais a presión da patronal, a presión que sofren os candidatos da CIG é moi forte, con ameazas de despedimento, despedimentos... - Acabar 2017 sendo a primeira forza sindical na Galiza sería un fito, a primeira vez que un sindicato nacionalista o logra. Algo que supoño sería impensábel hai 40 anos, cando se fraguou o sindicalismo nacionalista. - De lograrse é un exemplo do traballo e compromiso de miles de compañeiros e compañeiras. E é, ademais, un exemplo de coherencia do modelo sindical que representa a CIG, un modelo participativo, de contra-poder e de mobilización, alternativo ao que representa o sindicalismo español en Galiza. E isto tennos que levar a ter en conta á xente que temos responsabilidades na CIG a decatarnos de que estamos noutro escenario, que este sindicato non é un grupo de xente máis ou menos politizada, de cadros dirixentes; é un proxecto da clase traballadora galega. E iso temos que telo moi presente no noso traballo sindical, nas nosas alternativas. A CIG hoxe é un proxecto sindical que nos transcende aos que estamos na propia organización, é un proxecto sindical da clase traballadora galega e é un proxecto sindical do propio conxunto do movemento nacionalista, da clase obreira galega". "Que Galiza non sexa nación soberana afecta directamente ás condicións da clase traballadora" - Como se fragua a candidatura de consenso a este VII congreso e por que considerades que Paulo Carril, até agora secretario de Organización, é a persoa acaída para pasar a ter a responsabilidade da secretaría xeral? - A candidatura de consenso naceu da propia dinámica interna que hai na CIG, hai moita coincidencia nas distintas correntes que fan parte da CIG sobre o modelo sindical que representamos. Esa sintonía, tamén sobre a práctica sindical diaria, fai que o lóxico sexa que iso se corresponda con esa mesma sintonía e unidade na candidatura. Algo que acontece tamén nos relatorios. De feito, non hai relatorio alternativo, foron aprobados por unanimidade no Consello Confederal. As desavenencias ou discrepancias que hai dentro do sindicato lévanse tamén desde forma máis natural, están más asumidas e hai mecanismos internos que garanten esa realidade plural e de correntes que existen no noso seo. Carril é un compañeiro que a pesar de ter pouco máis de corenta anos leva moitos de militancia, unha persoa moi comprometida, cunha enorme capacidade de traballo e que ten levado numerosos conflitos polo que ten experiencia acreditada nese eido. Coñece perfectamente o que é a alternativa que representa a CIG e tamén o funcionamento orgánico da central. Reúne, pois, todas as condicións para poder asumir a secretaría xeral. - Cal entendes que debe ser o papel do sindicalismo na Galiza actual? - Hai unha función inmediata, que é a da defensa da clase traballadora. Un papel que, á vista da precarización de condicións nestes anos, está de completa actualidade. Nós sempre fomos un proxecto que nos definimos como proxecto socio-político, porque entendemos que hai que ir máis alá. As políticas fiscais, industriais, en materia de seguridade social, inflúen de forma determinante nas condicións de vida da clase traballadora. Como inflúe o papel que ten Galiza no ámbito do estado e a Unión Europea, non é o mesmo que fósemos unha nación soberana como que sexamos unha nación dependente, onde moitas destas políticas veñen impostas desde fóra. Cada vez máis as decisións tómaas un poder centralizado en institucións que non teñen ningún tipo de control desde a cidadanía e fai que Galiza xogue un papel periférico, iso é determinante nas nosas condicións laborais. O espolio dos nosos recursos, como a enerxía, dos nosos aforros, a condena á emigración. Todo iso ten a ver coa falta de soberanía, coa ausencia de mecanismos para nós mesmos como país para ofrecer outras alternativas.Nós temos en conta todos eses factores porque afectan de forma directa ás nosas condicións laborais e de vida como traballadores. |
NOS_27195 | O presidente do Goberno do Estado español advirte de que a situación na que se atopa a Comunidade, en cuxas saídas producíronse grandes atascos esta tarde, é de "extraordinaria gravidade". | O presidente do Executivo do Estado español, Pedro Sánchez, non quixo falar do recurso presentado pola presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, ao plan de restricións á mobilidade do Ministerio de Sanidade. Porén, advertiu de que o contexto madrileño é de "extraordinaria gravidade" e recoñeceu que pensa que a cidadanía debe asistir "estupefacta" as leas entre administracións. Precisamente polo risco de contaxios elevado que hai na comunidade, Sánchez pensa que tomar a iniciativa do confinamento non é invadir competencias. Así, opina que as recomendacións á Comunidade implican "axudar", "colaborar" e "coordinar" para intentar pór freo ao ritmo de contaxio. "A gravidade é a que é e o Goberno respecta o marco competencial e propón unha serie de medidas que van favorecer a aplanar a curva e frear os contaxios do virus nun territorio tan específico e importante como é Madrid", incidiu. Sánchez lamentou a actuación dalgúns partidos -nunha clara referencia ao PP- "que non entenden que a política está para dar solucións, non para crear problemas". De feito, considera que esas formacións "usan a pandemia" para "polarizar e confrontar". Ante estas situacións, pediu á cidadanía que non "perda de vista a gravidade da situación da pandemia". "Os científicos din que hai que tomar medidas moito máis drásticas", concluíu. |
NOS_7257 | Corría o final dos 80. As miñas radioescoitas eran a "Emisión Pirata" e "Disco Cross", mensualmente devoraba a "Heavy Rock" e a "Metal Hammer", gastaba os meus aforros en mercar discos no HMV de Grafton St de Dublin e no Virgin Megastore e no panorama metaleiro sonaba It's so easy o primeiro single do primeiro Lp dunha banda que estaba chamada a converterse en lenda: Guns n' Roses. | Appetite for Destruction, o primeiro disco da banda, foi todo un suceso chegando a vender 28 millóns de copias. Marcado pola polémica, a banda tivo que retirar a portada orixinal porque a MTV se negaba a programar os seus vídeos e substituíla pola coñecida da cruz e as caveiras dos membros da banda. Os problemas da banda coa heroína e o alcohol, foron quen de seguir creando ese halo de grupo maldito con cada nova que aparecía relacionada cos continuos altercados, que fixeron que se gañaran o alcume de "A banda máis perigosa do mundo". Pero fóra de polémicas externas, a reacción no público que provocou a primeira emisión do videoclip de Welcome to the Jungle na MTV, foi mítica, converténdose na canción máis pedida da historia. A popularidade da banda subiu coma a pólvora, xirando con bandas como The Cult, Mötley Crüe ou Iron Maiden e chegando a tocar do mítico festival Monsters of Rock de Donnington no ano 1988 onde dous mozos morreron durante a súa actuación. Conta Duff McKagan, baixista da banda, que aquilo foi para el o fin da inocencia e que aínda sente unha grande responsabilidade cando volve a Donnington. Malia isto, a banda estaba no seu mellor momento, conquistando os postos máis altos das listas con Welcome to the Jungle, Paradise City e Sweet Child O' Mine, que convivían a un tempo no Billboard. Pode que o éxito lles viñera excesivamente rápido, ou que se pensaran que todo valía, se non non se pode explicar o seu segundo traballo G'n'R Lies, un disco frouxo, que incluía o primeiro EP que editaran no 86 xunto con 4 cancións máis excesivamente acústicas. Moitos pensamos que ese sería o fin da banda. Tres anos despois, en 1991, con Use your Illusion I & II, a banda deu un novo golpe de autoridade na mesa e amosou que estaba nun período de madurez musical en que evoluía do son macarra do seu primeiro disco até deixar entrever influencias máis punks e roqueiras ao tempo que fai algunhas composicións máis longas e escuras. Despois disto, a banda fixo unha esgotadora xira mundial de máis de 2 anos, na que tiven oportunidade de os en directo no ano 93 no Vicente Calderón, xunto con Brian May e Suicidal Tendences. Concerto que foi bastante peor que o que deran en Barcelona pero que un era consciente de que sería seguramente a derradeira oportunidade de ver á banda en directo, así que as 4.000 pesetas da entrada estaban máis que amortizadas e ben empregadas As relacións na banda estaban cada vez máis deterioradas e foi por iso que os seguinte álbum, The Spaghetti Incident? foi un disco de versión das bandas más influentes de cada un dos membros da banda. Considero que este foi o derradeiro disco da banda, xa que Chinese Democracy, disco que sacou Axl, co nome de Guns n' Roses, dista moito do que era a banda. As malas relacións de Axl con Slash facían pensar que nunca volveríamos ver unha reunión da banda, pero o ano pasado saltou a noticia que todos queríamos: volve reunirse a banda de novo, pero sen Izzy Stradlin nin Steve Adler, no seu lugar seguirían Fortus¸ o guitarrista que acompañaba Axl e que ten un grande parecido físco con Izzy e Frank Ferrer na batería. Se ben non é a reunificación completa, o que a realmente queríamos todos era volver a ver Slash e Axl xuntos, malia que a presenza de Duff e Dizzy non son menores, aínda que poda parecelo. Guns n' Roses comezaron a xira europea este 27 de maio cun espectacular concerto en Dublín, onde se reconciliaron co público irlandés e tal como viñan facendo dende hai case un ano que comezaron a xira en Detroit, a banda está perfectamente engraxada e non perdeu a forza que os caracterizaba. Nin que dicir ten que se nota que co tempo asentaron a cabeza e a profesionalidade que teñen é moito maior que a de antes. Aínda que a relación entre Slash e Axl é bastante fría, non inflúe no son da banda. O que non se pode dicir o mesmo é dos recintos, xa que en San Mamés a ser semicuberto o son non era todo o bo que debería, cousa que probablemente non ocorrerá esta sexta feira en Lisboa nin o domingo en Madrid. Sorprende, iso si, que no setlist do concerto inclúan 4 temas do Chinese Democracy: This is Love, Stranged, Chinese Democracy e Better. Do mesmo xeito que en Dublín por por primeira vez na xira tocaron Patiente, en Bilbo volveron sacar o repertorio, deixando G'n'R Lies sen representación no concerto. Por outra banda, renden unha emotiva homenaxe ao recentemente falecido Chris Cornell cunha versión de Black Hole Sun, que tocaron por primerira vez en Dublín. Presentes están clásicos como It's so Easy, que empregaron para abrir os concertos, Civil War, Welcome to the Jungle, Rocket Queen, Nightrain, November Rain entre outras, nin tampouco faltan Sweet Child O' Mine coa tradicional introdución que Slash fai coa sintonía de The Godfather nin tampouco Paradise City, que empregan para pechar concerto. Un repertorio onde con 8 temas, o Apettite for Destruction é o álbum máis representado. Fóra de hooliganismos que sempre existen con este tipo de bandas, o regreso de Guns n' Roses mostra a unha banda pola que se pasou o tempo foi para mellorar e demostrar que os que un día foron grandes non deixan de selo tan facilmente. Axl está no seu mellor momento vocal e Slash segue a ser ese mago das 6 cordas que sempre foi. Se queren, e son capaces de convivir teñen moita vida por diante, aínda que me temo que isto non vai ser posíbel. GUNS AND ROSES NAS REDES WEB: http://www.gunsnroses.com/ FACEBOOK: http://www.facebook.com/gunsnroses TWITTER: @gunsnroses |
PRAZA_15430 | Os dous grupos solicitan conxuntamente que os conselleiros informen sobre o polémico proxecto mineiro sobre o que Patrimonio emitiu un ditame favorable. As dúas formacións denuncian "o espolio e saqueo" que supón unha mina no que ven "intereses" por parte de Feijóo. | Os grupos parlamentarios de BNG e AGE veñen de solicitar coxuntamente á Mesa do Parlamento que o conselleiro de Educación e Cultura e mais o de Industria informen no Parlamento sobre o proxecto industrial e estratéxico da polémica mina proxectada en Corcoesto. Concretamente, Alternativa solicita a Jesús Vázquez que explique "as razóns da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia para emitir un ditame favorable relativo á área de protección arqueolóxica na que se desenvolve". O deputado de AGE, Antón Sánchez, denunciou xa o pasado mércores o que considera "unha nova vía de saqueo e espolio", así como "o brutal ataque á riqueza medioambiental e ecolóxica do país qeu supón o proxecto mineiro" e que, tal e como denuncian Alternativa e Bloque, "conta coa complicidade da Xunta de Galicia". Así, o BNG considera que o Goberno "ten que dar contas, sen máis demoras, de que intereses ten o presidente Feijóo neste proxecto" e "por que mente cando fala dos postos de traballo que se van crear ou por que presume do tratamento de favor que se lle deu á empresa canadiana responsábel". BNG e AGE piden á Xunta que "dea conta, sen máis demoras, dos intereses de Feijóo neste proxecto" Carlos Aymerich, vicevoceiro do BNG, lembra que mentres Europa avanza cara á prohibición das minas a ceo aberto e da minería con cianuro, "a Xunta abre insensatamente o país á espoliación dos seus recursos". Ademais, recorda que a firma canadiana presentou a solicitude como "proxecto industrial estratéxico" e "coincidindo casualmente coa promungación dunha nova lei de industira que abrevia a tramitación en detrimento da transparencia e da participación cidadán, alén de facilitar a inobservancia da normativa ambiental, paisaxística e patrimonial". Os deputados de AGE destacaron tamén que este proxecto foi cualificado como estratéxico pola Xunta, o que supón entre outras cousas que "poden deixar fóra os concellos, xa que poderían saltarse o trámite de enviarlles toda a información e informes relativos ao mesmo". O proxecto foi declarado "estratéxico" pola Xunta, o que permite á compañía saltarse importantes trámites "A Xunta está engando a cidadanía ocultando os danos ambientais e impactos sociais que terá este proxecto aproveitándose da crise actual e da necesidade de traballo da xente, pero nin tan sequera no tema dos postos de traballo que vai suponer a execución do proxecto din a verdade", lembra Alternativa, que ao igual que o BNG denuncia as "cifras falsas" que achega Feijóo, que fala de case 1.400 empregos, mentres a propia empresa tan só recoñece 271, dos que tan só 138 serían directos. A plataforma contraria á mina e numerosos movementos sociais e ecoloxistas xa denunciaran as "falsidades" das que fachendeaba Feijóo respecto do proxecto. |
PRAZA_6638 | Señor Sánchez, tan difícil lle resulta entender que do que se trata é de evitar que se sigan producindo asasinatos, de que por fin, e dunha vez por todas, se tomen as medidas efectivas e reais para loitar contra este masacre? Pretende vostede rexer un país cando non é quen de poñerse nin por un momento na pel de cantas están a sufrir dun xeito inhumano?. | Non é nada novo que en demasiadas ocasións, cando algún dos nosos políticos fala, deixános totalmente abraiados cas suas "sentenzas", pero si hai algún que conseguiu superarse con creces e liderar o ránking dos despropósitos, ese e, sen dúbida ningunha, o flamante secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez. Nun ataque, non sei se de desproporcionada megalomanía ou de soberana estupidez (o certo e que ambas van, case sempre, estreitamente unidas), anúncianos a sua intención, no hipotético caso de que chegue a manexar as rendas do país, de propoñer que as vítimas de violencia de xénero sexan recoñecidas con funerais de Estado, a os que el acudiría, faltaba mais, en calidade de presidente. Non sei qué pensaredes vós. Eu son muller, obviamente, e tamén fun vítima da violencia machista, con todo o horror que esto trae consigo, e o que máis me gustaría agora mesmo e ter a oportunidade de un cara a cara con este señor e preguntarlle se está a rir de todas nós, de todas as familias que están a quedar destrozadas por mor deste horror que estamos a padecer, de tantos e tantos fillos que perden a suas nais nas mans dun asasino e mesmo dos nenos que están, en demasiadas ocasións, a ser tamén as vítimas mortais dun malnacido que o único que busca e facerlle dano a sua parella. Síntome insultada, humillada, e, unha vez máis, maltratada. Tan difícil lle resulta entender que do que se trata é de evitar que se sigan producindo asasinatos? Señor Sánchez, tan difícil lle resulta entender que do que se trata é de evitar que se sigan producindo asasinatos, de que por fin, e dunha vez por todas, se tomen as medidas efectivas e reais para loitar contra este masacre? Pretende vostede rexer un país cando non é quen de poñerse nin por un momento na pel de cantas están a sufrir dun xeito inhumano? Señor Sánchez, a dor de tanta xente, a morte máis tremenda, non e ningún espectáculo, nin ningún show con fins electoralistas. Descoñezo se vostede ten nai, irmans, ou mesmo amigas, pero non esqueza que calquera pode ser vítima de malos tratos nalgún momento da sua vida, e pódolle asegurar que toda a "fanfarria" que nos poda otorgar despois de mortas non é consolo para ninguén. E xa para rematar, e con toda humildade, permítame que lle dea un pequeno consello: Antes que político, debera vostede aprender a ser humano, sería bo para todos e para vostede o primeiro,porque polo momento, todo parece indicar que esa condición non forma parte da sua personalidade... E e unha mágoa!. |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.