ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_28601 | A planta de biorresiduos abriu hai e medio despois dun investimento de dous millóns e medio de euros, nese tempo non se produciu ningunha cantidade de abono e só tres concellos aceptaron levar alí os seus residuos orgánicos. A pesar disto, tres plantas de biorresiduos están en construción na Galiza. | Ano e medio despois da inauguración da planta de xestión de biorresiduos de Sogama en Cerceda, na que se investiron 2,5 millóns de euros e que segundo cálculos da empresa ía producir 4.000 toneladas de compost de alta calidade que podían ser usados sen restricións na agricultura, da planta "non saíu ningunha cantidade" de fertilizante, segundo recoñeceu na quinta feira en comisión parlamentar María Sagrario Pérez Castellanos, directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático. A pesar destes resultados, en abril pasado o presidente da Xunta comprometía un investimento de 52 millóns de euros para cumprir cos obxectivos da Unión Europea sobre biorresiduos, incidindo en que a meirande parte deste orzamento está dirixido á construcións de tres novas plantas de biorresiduos en Vilanova de Arousa, Cervo e Verín, un por cada provincia que aínda non contaba cunha infraestrutura destas características. Na resposta a pregunta de Luís Bará, responsábel de Medio Ambiente do BNG no Parlamento da Galiza, Pérez explicou que até o de agora só Cerceda, A Laracha e Carballo están a enviar os seus residuos orgánicos a esta planta, iso sumado ao "proceso que ten a compostaxe", apuntou a directora xeral, limita as posibilidades de produción, malia que confía en que nos vindeiros meses teñan un "compost de calidade". "Hai moita marxe de mellora", recoñeceu Pérez. Evitar un accidente como o de Zaldibar O deputado do BNG, Luís Bará, criticou a directora xeral por non mencionar se a Xunta ten algunha actuación prevista ante a avaría na planta de incineración de Sogama, que implica un retraso en todo o sistema, incluíndo a planta de clasificación, obrigando a que o transporte teña que agardar até 10 horas para descargar os camións, o que leva a que sexan desviados directamente ao vertedoiro para evitar o colapso. Asemade, pediu medidas urxentes para evitar un accidente como o acontecido no vertedoiro de Zaldibar (Euskadi). Así explicou como no vertedoiro de Areosa (Cerceda) os condutores dos camións levan o lixo por unha superficie inestábel e flotante co eixo do vehículo no aire, segundo denunciaron os mesmos transportistas. |
NOS_9223 | A EMA investiga tres posíbeis novos efectos adversos das vacinas ARNm contra a Covid-19. | O Comité de Seguridade da Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés) está a investigar tres posíbeis novos efectos adversos das vacinas ARNm contra a Covid-19, é dicir, as desenvolvidas por Pfizer e Moderna.En concreto, segundo detalla o organismo regulador europeo nuns documentos de actualización de seguridade das vacinas, trátase de eritema multiforme, glomerulonefrite e síndrome nefrótica. O eritema multiforme é unha reacción de hipersensibilidade alérxica con lesións cutáneas redondas características que tamén pode afectar as membranas mucosas das cavidades internas do corpo. A EMA rexistrou "un pequeno número de casos" notificados tras a vacinación con Pfizer e Moderna. "Solicitáronse máis datos e análises ao titular da autorización de comercialización para apoiar a avaliación en curso do Comité de Seguridade", explica o organismo regulador europeo. Pola súa banda, iniciouse unha avaliación da glomerulonefrite (inflamación dos diminutos filtros dos riles) e a síndrome nefrótica (trastorno renal que fai que os riles perdan demasiadas proteínas nos ouriños) para determinar se poden ser efectos secundarios destas dúas vacinas. Segundo a EMA, as e os pacientes afectados poden presentar ouriños sanguinolentos ou espumosos, edema (inchan as pálpebras, os pés ou o abdome) ou fatiga. Do mesmo modo que no anterior caso, rexistrouse "un pequeno número de casos" notificados tras a vacinación con Pfizer e Moderna, incluídos casos en que as e os pacientes experimentaron unha recaída de enfermidades renais preexistentes. Por iso, tamén se solicitaron máis datos e análises ás compañías para continuar coa avaliación. Tal e como explicou a EMA a semana pasada, non atopou "até o momento" ningunha asociación causal entre as vacinas contra a Covid-19 e os trastornos menstruais. O organismo regulador europeo resalta que os trastornos menstruais son "moi comúns e poden ocorrer sen unha condición médica subxacente". "As causas poden ir desde a tensión e o cansazo até condicións médicas subxacentes, como os fibromas e a endometriose. As mulleres que experimentan unha hemorraxia vaxinal inesperada (por exemplo, en mulleres posmenopáusicas) ou que están preocupadas por alteracións menstruais prolongadas ou severas poden buscar consello médico", remarcan. |
QUEPASA_471 | ÚLTIMA HORA: O taller "Elas Muralistas" previsto para o 6 foi aprazado para o 25 de novembro. | Segue o Concello de Carnota apostando pola Igualdade coa Campaña de Prevención e de Sensibilización contra as violencias machistas: Súmate á Igualdade (+=!). Ao longo destes meses son moitas as actividades que se levan realizando ara apoderar ás mulleres, e vemos como paralelamente nacen entidade feministas como SonLilá. Este mes de coordinaranse diferentes actividades dirixidas a mulleres, a familias, a crianzas e a toda a veciñanza, a través dunha visión artística e cultural. O 25 de novembro (estaba previsto para o día 6 pero tivo que ser aprazado) (de 16:00h a 20:00h) haberá a acción "Elas, muralistas", que se trata dun Obradoiro de arte urbana feminista, para a creación dun mural comunitario. A cita será no Pavillón de Carnota e está dirixido a mozos e mozas a partir de 16 anos.Inscricións no Dpto de Servizos Sociais do Concello: 981 857 032 (Ext. 2) Os xoves 7 e 14 de novembro, ás 18:00h, desenvolverase o Obradoiro de autocoñecemento para o fortalecemento persoal "Cóidome". O Salón de Plenos do Concello acollerá a cita con todas as mulleres do Concello que se queiran apuntar.Inscricións no Dpto de Servizos Sociais do Concello: 981 857 032 (Ext. 2). Finalmente o 22 de novembro ás 17:30h. haberá un espectáculo de narración oral e música ao vivo de Tropa de Trapo, no Salón de Plenos do Concello, Dirixido a público infantil e familiar. Serán Contos de nenas grandes e pequenas. |
NOS_56636 | Dos 50 deportistas galegos que competiron, 29 obtiveron medalla O noso país proclamouse campión en sénior e cadete de Loita feminina e en cadete de Loita Libre. En grecorromana e olímpica, terceiros en cadete. | Galiza logrou uns excelentes resultados no Campionato do estado español de loitas olímpicas en categoría sénior e cadete que decorreron en Madrid. Un total de 29 medallas (11 de ouro, 7 de orata e 11 de bronce) foron conquistadas por deportistas galegos nesta cita na que Galiza proclam ouse campioa en loita feminina sénior e cadete, e en loita libre categoría cadete. Galiza foi terceira en loita grecorromana (cadete) e loita libre olímpica (sénior), así como 8ª en loita grecorromana sénior. Para a Federación Galega de Loita e disciplinas asociadas, o "rotundo éxito dos loitadores galegos" resúmese en que o noso país un terzo das preseas en xogo a nivel estatal. Clubs Por clubs tamén houbo resultados sobresaíntes: Keltoi de Vila de Cruces foi campión do Estado de Loita Feminina cadetee o Club San Ignacio de Vigo: Bronce en Libre Olímpica cadete e Libre feminina sénior. "Dos 50 deportistas desprazados ata Madrid, 29 obtiveron medalla, polo que o traballo de calidade que están a levar os Clubs en Galiza, está a dar os seus resultados. O traballo de formación da base deportiva, ten como consecuencia directa o bo resultado na categoría cadete, que o ano pasado tivo tantos problemas a nivel nacional. A falta de resultados do ano anterior, veuse compensada sobremaneira durante este ano 2015". |
NOS_12309 | Ao vivo, con música, foi a concentración perante as instalacións centrais da CRTVG en San Marcos para esixir a continuidade de "Planeta Furancho" de Vituco Neira, recén retirado da programación. E non só iso, músicas e músicos aproveitaron para reclamar o regreso de "Aberto por reformas" de Xurxo Souto. | A música ao vivo ten os instrumentos en alto e a CRTVG é o obxectivo. Despois da fulminante eliminación do programa dirixido e conducido por Vituco Neira, "Planeta Furancho", profesionais do sector concentráronse na noite do sábado cos seus instrumentos perante as instalacións de San Marcos para esixir a súa volta á grella da Radio Galega. Entre música e proclamas, os participantes da concentracións non só reclamaron o regreso de "Planeta Furancho", o programa recén fulminado da programación, senón que aproveitaron para esixir un mellor horario de emisión ademais do regreso inmediato de "Aberto por Reformas" de Xurxo Souto que consideran "un paso de xigantes para a difusión da música deste país", Emprazan tamén a unha xuntanza de carácter urxente con representantes da asociación Music@s ao Vivo con responsábeis de programación ou cargos da CRTVG arredor da ausencia de programas dedicados á música galega. Tomar a radio Consideran que a CRTVG está a "vulnerar os principios" da súa creación como servizo público que ten como obxectivo a promoción, difusión e impulso da lingua e a cultura galega. Profesionais do sector concentrados en San Marcos advertiron de que teñen como proposta "tomar a Radio e os seus micros" xa que consideran fundamental "ter acceso a canles de difusión públicas", coa vontade de manifestar a súa oposición ao recortes de dereitos, en especial, do acceso á cultura e información. Co fin de sumar apoios e difundir as propostas creouse en facebook o grupo público "Defendamos Planeta Furancho". |
NOS_49078 | Están en xogo centos de empregos, advirten os sindicatos, que instan a Xunta a se implicar. | Os traballadores e as traballadoras de Comfica e Indra que prestan servizo de soporte telefónico para R na provincia da Coruña protagonizaron unha segunda xornada de folga para esixir que se manteñan na Galiza os empregos que, denuncian, a empresa de telecomunicacións quere levar fóra. Os sindicatos indican que o paro tivo un seguimento maioritario. Desde a CIG informan que na reunión que mantiveron esta semana en Madrid a dirección de Comfica e de Euskaltel para tratar o traslado dos servizos e o futuro dos empregos, díxoselles que polo momento nin ten data concreta de efectivización. Miguel Gago, do comité de Comfica, subliñou que nas reunións coa empresa, esta xa informou da perda de varios contratos con R a partir de outubro, que non vai recolocar ao persoal afectado (unhas 20 persoas) e que ZTE, a nova contrata, comunicou que non procederá á subrogación nin fará novas incorporacións porque conta con traballadores e traballadoras de seu. A CIG solicitou unha reunión coa Consellaría de Emprego, Economía e Industria para falar desta cuestión e esixir a implicación da Xunta de cara a evitar a perda de máis postos de traballo. |
PRAZA_6218 | Cualifica de "prexuízo inadmisible" a reiteración de colapsos na autoestrada sen que se acheguen solucións mentres o Goberno galego limítase a pedirlle á concesionaria que "poña medios" e opta por darlle "toques de atención". As retencións repetíronse na pasada fin de semana. | Hai agora dous anos, a Autoestrada do Atlántico, a AP-9, vivía por enésima vez unha das súas clásicas retencións de verán, motivadas pola combinación do incremento de tráfico proveniente da costa a unha mesma hora e da obriga de se deter nos postos de peaxe para pagar o que corresponda. Ao igual que ocorre agora. Daquela, o Goberno de Mariano Rajoy levaba uns poucos meses no poder e a Xunta dirixiuse a el, concretamente ao Ministerio de Fomento que dirixe unha destacada militante do PP galego, Ana Pastor, para instalo a exercer as súas funcións de supervisión e abordar este "problema histórico". Tratábase de que a concesionaria Audasa erguese as barreiras das peaxes cando as retencións superasen os dous quilómetros. Outra fin de semana máis, as zonas achegadas ás praias volveron sufrir importantes retencións sen que Audasa puxese remedio Dous veráns despois os atascos regresan e a empresa, agora propiedade do grupo americano Citi, ignora o Goberno galego. Todo, malia que a Xunta continúa mandando mensaxes e non dubida en reclamar "medios" a Audasa e incluso ve necesarios "os toques de atención" á concesionaria. Nesta última fin de semana, varios puntos da AP-9 achegados ás praias volveron sufrir importantes retencións e numerosas queixas dos seus usuarios, que ven como pagan cantidades importantísimas por un servizo que non se presta. Nin a autoestrada é máis rápida, nin se soben as barreiras, nin se exime do pagamento... A vida segue igual. Teo, Miño, O Salnés, O Barbanza ou O Morrazo, entre outros puntos, continúan sufrindo desesperantes atascos. O Valedor abre unha investigación e cualifica de "prexuízo inadmisible" a reiteración de atascos na AP-9 O Valedor do Pobo, non obstante, foi máis aló e abriu unha investigación de oficio dirixíndose á empresa concesionaria "como responsable do consentimento dos atascos que nas últimas horas se produciron nos accesos á Autovía do Salnés". Segundo o alto comisionado parlamentario, a reiteración desta situación debe considerarse un "prexuízo inadmisible" e pode constituír unha grave irregularidade cometida pola prestadora do servizo. O Valedor decidiu actuar "tras coñecer os importantes prexuízos ocasionados nas últimas horas a condutores usuarios da AP-9 en especial nas peaxes de saída cara á Autovía do Salnés, que comunica coas localidades de Sanxenxo e O Grove". A peaxe "con moi poucas cabinas", explica a institución, converteuse nun "colo de botella" e chegáronse a rexistrar retencións quilométricas de máis dunha hora. Esta situación, denunciada agora polo Valedor, "viuse empeorada polo peche das barreiras e a imposibilidade de que os operarios da empresa concesionaria atenderan aos usuarios que pagaron por un servizo público que non foi prestado de xeito axeitado". O defensor galego insiste en coñecer por que "non se aplicaron medidas correctoras para evitar atascos desproporcionados" "Sucesos como o que tratamos déronse en ocasións anteriores e non se lles puxo remedio" indica no seu expediente o Valedor do Pobo, quen denuncia que a empresa concesionaria non aplica medida algunha de corrección ou de compensación aos usuarios. Por iso, este luns o defensor galego dirixe unha carta ao presidente de Autopistas del Atlántico co obxecto de "coñecer as circunstancias dos incidentes rexistrados desde o pasado venres e sobre os que tiveron lugar xa en anos anteriores". O alto comisionado do Parlamento insiste en coñecer "as causas polas que non se aplicaron medidas correctoras para evitar os atascos desproporcionados e os motivos polos que a empresa non ordenou abrir as barreiras para desconxestionar os accesos". O Valedor comunicou o inicio da actuación tamén á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas así como á Secretaría de Estado de infraestructuras, Transporte y Vivienda, por se queren realizar algunha achega á súa investigación. Pero a Xunta segue queixándose mentres Audasa faise a xorda. Foi o vicepresidente da Xunta quen lanzou a última reprimenda. Alfonso Rueda pide á empresa que xestiona a autoestrada que "poña medios" para solucionar as retencións. "Séguense producindo, non contanta intesidade, pero aínda así hai que arbitrar mecanismos para que ao final sexan excepcións nas que haxa que esperar unha cola para pagar unha peaxe", asegurou en resposta ás preguntas dos medios na Coruña. O alcalde de Miño, Jesús Veiga, tamén pide solucións e reclama que se abran as peaxes cando hai atascos. Na súa localidade, o colapso superou a hora. A Xunta pide á concesionaria que "poña medios" para evitar as retencións e ve necesario darlle "toques de atención" Desde a Xunta insisten ante Fomento e ante a empresa para que "poñan medios" e cren que a concesionaria debea "darse conta de que non é de recibo que a xente que paga por utilizar a autoestrada estea en retencións de moitas quilómetros. Para iso unha persoa non paga a peaxe", insiste Rueda. Concesión até o 2048 Todo isto sucede nun contexto no que aínda restan 34 anos para o remate do matrimonio forzoso entre a sociedade galega e Audasa. Será no ano 2048 cando remate unha concesión que inicialmente finalizaba en 2023, pero que foi prorrogada polo Goberno de José María Aznar. Ese mesmo Executivo foi o que no ano 2003, cando o vial galego era a autoestrada máis rendible do Estado, decidiu privatizar Audasa, empresa que fora rescatada polo Estado español tras a crise do petróleo dos 70. O gran beneficiario daquela operación foi un grupo de empresas liderado pola inmobiliaria Sacyr Vallehermoso. Aínda restan 34 anos para que remate a concesión que foi prorrogada por Aznar mentres os prezos das peaxes seguen subindo Ademais, a AP-9 acumula varios anos de perda de tráfico e de reiteradas subas de tarifas. Concretamente, a que segue sendo gran arteria de comunicación do eixo atlántico perde vehículos dende hai sete anos, unha caída que é especialmente intensa dende o ano 2010. Audasa pechou ese exercicio cunha intensidade media diaria de 23.395 vehículos mentres que, no remate de 2013, este indicador caera aos 20.658, un 12% menos que un ano antes. O pasado ano a empresa viu reducidos tamén os seus beneficios nun 30% pero, así e todo, aínda gañou case 10 millóns de euros. O feito é que os últimos datos de tráfico nas estradas publicados polo Ministerio de Fomento sinalan que a AP9 continúa perdendo usuarios e usuarias. En xuño esta vía de peaxe foi utilizada por unha media de 21.371 vehículos cada día, lixeiramente por debaixo da cifrade xuño de 2013 (21.428) e moi lonxe das acadadas en xuño de 2012 (23.100) e xuño de 2011 (26.092), un descenso continuado nos últimos cinco anos que neste momento deixa a media interanual (de xuño de 2013 a xuño de 2014) por debaixo de vinte mil vehículos (19.505), algo que non sucedía dende 2003. É certo que nos últimos anos a crise económica, unida a outros factores e motivacións, está a provocar unha redución xeral da densidade do tráfico nas estradas españolas (un 4,15% menos en 2012 e un 1,36% menos en 2013), pero esta caída é moi inferior á que rexistra a AP9, dun 20 por cento en só tres anos. |
PRAZA_15687 | Esa decisión permítelle a Convergência evitar unas eleccións pouco favorábeis e enfrontar un proceso de refundación que esixen os pasados casos de corrupción e que desenvolverá baixo a dirección do propio Artur Màs | A investidura por maioría absoluta do Parlament do até de agora alcalde de Girona, Carles Puigdemont (Junts per el Si e afiliado á CDC) demostra a flexibilidade da política catalá, que mesmo ven de recoñecer o dirixente de Podemos, Iñigo Errejón. E abre un escenario de estabilidade parlamentaria que constitúe un evidente pulo ao proceso soberanista catalán, malia que ao mellor éste, como dixo o presidente da Assemblea Nacional de Catalunya (ANC), grande motor del, precise de máis músculo e de menos velocidade. A CUP aprobara un veto incondicional a Artur Màs, malia que a metade da súa xente manifestouse a prol da súa investidura. Xa que logo, a decisión de Màs de botarse fóra (xenerosa e políticamente estratéxica) desarmou de vez aos antisistema. Executado o veto a Màs Junts per el Si foi quén a lles impór non só o voto á persoa de Convergência (CDC) decidida polo propio Màs, senòn un pacto de estabilidade parlamentaria que inclúe o prezo da demisión dalgúns dos deputados máis refractarios á investidura do até de agora President. Esa decisión permítelle a Convergência evitar unas eleccións pouco favorábeis e enfrontar un proceso de refundación que esixen os pasados casos de corrupción e que desenvolverá baixo a dirección do propio Artur Màs. Semella que Democracia i llibertat, futura marca dos converxentes, adopta o esquema bicéfalo de distintas persoas nas xefaturas do partido e do goberno que tan ben lle resultou ao PNV. Sabido é que unha nova páxina na historia institucional catalá é imposíbel sen que a mediana burguesía e o centro político teñan sitio nela. E Artur Màs agora traballará para facelo. Pola súa banda, Esquerra (ERC) fornecerá un 40% do Govern con Junqueras nunha probábel vicepresidencia ou mesmo como conseller en cap. Mentres que as forzas unionistas amosaron a súa sorpresa e contrariedade: Catalunya terá Goberno e folla de rota soberanista esta mesma semana, mentres que en Madrid semella que non hai pacto para a gobernanza nin o haberá nalgún tempo. Mesmo é moi dubidábel en termos constitucionais que Rajoy, como presidente do Goberno do Estado en funcións, reteña as competencias para instar do Senado a aplicación das medidas de intervención da autonomía de Catalunya, consonte co artigo 155 da Constitución. |
NOS_8434 | O BNG propuxera que o inmoble da rúa Benito Corbal e que acolle as oficinas de emprego, dunha trintana de colectivos e asociacións e as instalacións da Universidade de Vigo, levase o nome desta estradense que viviu 20 anos na cidade pontevedresa e sufriu persecución e exilio canda o seu compañeiro, Castelao. | O rehabilitado e renovado edificio de 6.000 metros cadrados da Xunta en Pontevedra e que acolle desde as instalacións da Universidade de Vigo na cidade até espazos para unha trintena de asociacións e colectivos non se denominará Virxinia Pereira. A proposta formulada polo deputado do BNG Luis Bará na Comisión Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento contou co apoio de PsdeG e En Marea. Mais non foi abondo. O non do PP botou por terra esta proposición non de lei. Virxinia Pereira naceu na Estrada e residiu en Pontevedra durante 20 anos. Coñeceu ben a loita polo autogoberno da Galiza e as consecuencias do golpe de estado franquista: sufríu o exilio en Cuba, Estado Unidos e Arxentina canda o seu marido, Daniel Castelao. Tras a morte do rianxeiro loitou en defensa dos bens que lle foran expoliados. O PP alegou que habería moitos outros nomes cos que se podería denominar este edificio e que a sociedade xa lle ten designado o nome de "edificio da Xunta en Benito Corbal". Bará replicou lembrou que Pontevedra leva cinco anos desenvolvendo o proxecto de 'Memoria das mulleres' e denominando rúas con nome de muller. Anunciou que se a Xunta non quer denominar o edificio co nome desta muller, o Concello de Pontevedra quen levará a cabo unha homenaxe a Virxinia Pereira. |
NOS_47055 | Chegou tarde, após unha longa carreira de obstáculos. Foi resultado dun gran proceso de mobilización social, en liña coa vontade dunha parte significativa da sociedade galega de pasar páxina co centralismo. O referendo do Estatuto de 1936 fixo 85 anos. | A definición dun novo marco de relacións entre a Galiza e o Estado pairou sobre a política galega desde as últimas décadas da I Restauración. A este obxectivo destinou os seus esforzos o movemento nacionalista, que conseguiu colocar a reivindicación estatutaria na proposta programática das plataformas políticas organizadas en 1930 para articular unha alternativa de ruptura co réxime monárquico. As reivindicacións recollidas no Pacto de Lestrove e no Pacto de Barrantes foron un exemplo claro disto. Os parceiros dos nacionalistas nos acordos de Lestrove e Barrantes non tardaron en rachar os seus compromisos unha vez proclamada a II República. Mentres a dereita e o Partido Socialista expresaron o seu rexeitamento á autonomía da Galiza, o sector maioritario da Organización Republicana Galega (ORGA), liderado por Casares Quiroga, apostou por paralizar o proceso. Na mesma liña, as forzas políticas de ámbito estatal definiron na constitución de 1931 un modelo de organización territorial por baixo do acordado previamente cos partidos cataláns, galegos e vascos. Un proceso longo A reivindicación estatutaria volveu tomar vigor na segunda metade de 1932. O 3 de xullo decorreu en Compostela unha asemblea de concellos onde ficou conformada unha comisión redactora do texto. O documento aprobado, sometido a exposición pública e proceso de emendas das entidades locais, corporacións públicas, forzas políticas e particulares, foi referendado en decembro de 1932, fixándose, despois dun ano de forte debate entre os promotores, o 17 de decembro de 1933 como data para a súa votación. O Partido Galeguista foi o motor da reivindicación estatutaria As novas circunstancias abertas co trunfo electoral das dereitas en 1933 e o proceso involutivo que o seguiu atrasou o seu sometemento ao corpo electoral até o 28 de xuño de 1936. O Partido Galeguista foi o motor da reivindicación estatutaria. A organización política do nacionalismo mantivo unha posición inequívoca e compacta en defensa dun marco político que non enchía as súas aspiracións pero que entendía como un punto de partida no camiño da liberación da Galiza. A este obxectivo táctico condicionou toda a súa práctica o partido de Castelao e Bóveda, sendo un factor decisivo na conformación da Fronte Popular no país, unha vez certificada a marcha atrás na cuestión nacional representada polas políticas dos Gobernos do bienio e testada a necesidade de ensanchar a base de apoios á autonomía para superar as maiorías cualificadas fixadas no texto constitucional. O nacionalismo nunha foi autonomista. O papel desenvolto na loita pola consecución do estatuto levou algunha parte da historiografía a situar a autonomía como obxectivo estratéxico do Partido Galeguista. Os principais dirixentes da formación explicaron o sentido táctico da demanda, sinalando Otero Pedraio, dous días antes da realización do referendo de 28 de xuño de 1936, que "o nacionalismo non é autonomista porque autonomía é descentralización administrativa, e o nacionalismo aspira a volver á nación galega a soberanía roubada". Un sistema de estatutos "inadecuado" Daniel Castelao escribiu no Sempre en Galiza que para os nacionalistas o estatuto era un punto de partida que non recollía as súas aspiracións programáticas. Ao tempo, sinalou que "o sistema de estatutos autonómicos é inadecuado e até ofensivo para os cataláns, galegos e vascos, Galiza, como Catalunya e Euskadi, é unha nación", engadindo que "non recoñecerlle o dereito de autodeterminación -incluso para vivir con absoluta independencia- será sempre un acto tiránico e antiliberal". Os resultados electorais de 28 de xuño de 1936 foron consecuencia da mobilización social. Ao pouco da súa aprobación, comezaron as dúbidas sobre a limpeza do proceso e das supostas irregularidades no escrutinio, labor no que se sinalaron os dirixentes da dereita. O primeiro en denuncialo foi Calvo Sotelo, e os seus medios de comunicación próximos, co obxectivo de cuestionar a vontade de autogoberno expresada de maneira tan rotunda polo pobo galego. A legalidade, as formalidades e a transparencia das votacións non diferiron doutros comicios decorridos na Galiza e no Estado español durante o período republicano, cuxos resultados nunca se puxeron en cuestión. Os sucesivos atrasos que sufriu o proceso estatutario impediu institucionalizar un poder galego, con todas as limitacións do modelo territorial, que posibilitase verificar unha política nunha chave propia, fixar unha idea de Goberno do país que se mantivese no imaxinario social galego ou facer fronte en mellores condicións ao propio golpe de Estado fascista. A comparativa coas outras dúas nacións que contaron con estruturas de autogoberno ou o propio papel dos representantes do Goberno estatal na Galiza, simbolizado na ineficacia e na falta de iniciativa dos gobernadores das catro provincias, foron significativos ao respecto. Unha vitoria fanada polo fascismo O golpe de Estado de xullo de 1936 impediu a entrada en vigor do texto estatutario. Ao tempo, o fascismo desatou unha dura persecución contra algúns dos principais protagonistas daquela vitoria, asasinando promotores esenciais como Alexandre Bóveda ou Ánxel Casal, enviando ao exilio outros deles, como o propio Daniel Castelao, ou condenando á morte o secretario da comisión pro estatuto, o xurista compostelán Enrique Raxoi Leloup. Porén, a perseveranza dos nacionalistas por dotalo de personalidade xurídica, certificada nas sesións das cortes de Monserrat ou no exilio mexicano, serviu para sentar as bases para o recoñecemento da Galiza como nacionalidade histórica no texto constitucional de 1978. |
NOS_15125 | A entidade Ecoloxistas en Acción así como a veciñanza de varias parroquias do municipios aseguran que as zonas abandonadas da mina teñen amoreamentos de lodos que producen emanacións de "metano e amoníaco". | Após os momentos contra a mina de Touro, agora Ecoloxistas en Acción advirte dos graves prexuízos que está a sufrir a veciñanza pola vertedura de lodos na canteira que ficaron abandonadas. Segundo a entidade, que fai alusión a denuncias de habitantes de varias parroquias, hai "continuas emanacións de metano e amoníaco" procedentes deses amoreamentos. Ante ese "desamparo" da poboación "por parte das institucións", volven pedir á Xunta e ao Concello de Touro que actúen "para remediar esta grave situación de contaminación atmosférica" que provocan os lodos e outros residuos. En concreto, a organización urxe á Consellaría de Medio Ambiente a atender as demandas das veciñas e veciños, que xa se dirixiron ao Goberno galego noutras ocasións. "Segundo denuncia a propia veciñanza os cheiros son tan fortes que producen mareos, falla respiratoria e incluso desfalecementos", din. Isto, na práctica, impide que se faga unha vida normal en todo momento. De feito, a entidade indica que o vapor que produce o amoníaco "é altamente tóxico e nocivo para a saúde, sendo severamente irritante aos ollos e o tracto respiratorio". Até pode acabar en "queimaduras e cegueira temporal". "Altas concentracións de NH3 poden causar falla respiratoria e a morte. Non menos grave é a intoxicación por metano, este gas asfixiante pode provocar a perda de consciencia e a morte por insuficiencia cardiovascular", reiteran co obxectivo de que as Administracións competentes fagan algo ao respecto. De forma engadida, os lodos tamén están a contaminar regatos e zonas húmidas da contorna, polo que entenden que é preciso restaurar os espazos deixados como consecuencia do abandono da canteira. |
NOS_39029 | As familias desta empresa vitivinícola puxeron a disposición dos municipios atomizadores para que realicen traballos de desinfección. | A solidariedade está no noso ADN. As familias das adegas Martín Códax comezaron cedendo ao concello de Cambados un atomizador, sulfatadora de grandes dimensións, para que axudara nese municipio aos traballos de desinfección para loitar contra a presenza da Covid-19 e xa hai varias administracións locais interesadas en contar con eles. "Estamos radicados en Cambados e colaboramos moito co concello", explica a Nós Diario Xoán Allegue, director destas adegas, "e a idea xurdiu cando vimos como viñan os militares a desinfectar". Relata que para calquera que traballe no sector é evidente que o material que empregaban desde o exército español "eran terceiromundistas". Foi nese intre cando falaron e puxeron a disposición do seu concello os atomizadores. "Non deixan de ser sulfatadoras enormes, a miña ten capacidade para 1.500 litros cando a mochila dunha soldado pode transportar só 15 litros". A experiencia pasou agora a Catoira e para os vindeiros días agardan Mugardos e Ares. O seu funcionamento é moi sinxelo. "O atomizador vai arrastrado por unha máquina, no noso país hai tractores de abondo, e podes abrir coas billas ou directamente pistoleando atrás con moita presión", explica Xoán Allegue. O liquido que se prepara para desinfectar créase a base de auga cun desinfectante recomendado por un técnico. "É como unha lixivia moi diluída". As familias das adegas Martín Códax cederánse entre ellas os atomizadores que precisen para as súas propias explotacións vitivinícolas o tempo que dure esta situación para poder seguir cos traballos propios desta tempada. |
NOS_53073 | A raíña Sofía cobrará 63.234 euros fixos e 68.500 en 'gastos de representación'. A princesa Letizia percibirá 49.182 euros e 53.282 respectivamente. Cantidades moi por riba da media dos e das traballadoras do estado español. | Un voceiro da Casa real española informou nesta segunda feira que o Borbón decidiu que a raíña Sofía e a princesa Letizia tivesen un salario fixo, para alén de 'extras' por gastos de representación. Unha decisión que argumentan e publicitan como unha aposta por dar transparencia ao orzamento que recibe La Zarzuela. Así, a raíña cobrará 63.234 euros como soldo fixo e 68.505 en concepto de gastos de representación. A princesa, pola súa parte, recibirá 49.182 euros e 53.282 euros, respectivamente. O voceiro da Casa real explicou que que se tomou como referencia o soldo de Juan Carlos de Borbón. A raíña, neste sentido, cobrará o 45% do montante recibido polo rei e Letizia, o 35%. O Príncipe, como en anos anteriores, recibe o 50%. Sofía, así pois, recibirá neste 2004 un total de 131.739 euros e Leticia 102.465. O salario medio no Estado español é de 22.071. A partida que recibe a Casa real ronda os 8 millóns de euros. Mais a este hai que engadir cuestións (por exemplo, seguridade) que son pagados polos ministerios correspondentes, neste caso, o de Interior. Os medios españois recollen que as tres operacións do Borbón en 2013 tiveron un custo superior aos 165.000 euros. |
PRAZA_14156 | Jorquera comprométese a limitar a instalación de grandes superficies en Galicia nunha intervención na que alerta do risco democrático de que os membros do Parlamento non cobren polo seu labor, como propón María Dolores de Cospedal | Recurso de inconstitucionalidade para reverter a liberalización total do comercio. O candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, lanzou este venres unha das primeiras propostas da precampaña nacionalista coa vista posta no ámbito económico. No marco dunha xuntanza con comerciantes en Pontevedra o nacionalista recolleu a "preocupación e malestar" do sector por unha das consecuencias do paquete de recortes do Goberno central que non só permite aos negocios de calquera dimensión permanecer abertos as horas que os seus propietarios consideren oportunas, senón tamén organizar períodos de rebaixas en calquera data do ano. Estas normas prexudican o pequeno comercio e favorecen as grandes áreas pero ademais, di, baten co autogoberno galego. O comercio de proximidade é, para o aspirante do Bloque, "un sector estratéxico de Galiza" pola súa capacidade de xerar emprego e polo seu "papel cohesionador nas cidades". Pero este factor e a propia "invasión de competencias autonómicas" produciuse "coa complicidade" de Alberto Núñez Feijóo algo que, compromete, non sucederá se os nacionalistas participan do Executivo tras as eleccións do 21 de outubro, posibilidade que Jorquera contempla sempre e cando sexa para poder aplicar "un cambio profundo" no país. Esta medida completarase con outras como a "limitación á implantación de novas grandes áreas comerciais" ou "desenvolvemento dunha campaña de promoción do consumo de produtos galegos", explica. Remuneracións dos cargos públicos Jorquera: "De Cospedal debera deixarse de medias tintas e dicir o que pensa, que unha ditadura é máis barata" Tras este encontro con comerciantes Jorquera abordaba ademais a aposta do PP por volver situar no cerne do debate público a posibilidade de reducir a dimensión dos parlamentos autonómicas, acrecentada ademais pola secretaria xeral dos conservadores e presidenta de Castilla-La Mancha, Dolores de Cospedal, que propón ademais que os deputados e deputadas poidan deixar de percibir os seus salarios. Na mesma xornada en que Feijóo ratificaba que, se volve gañar, pasará a tesoira pola Cámara galega para deixala en 61 deputados o candidato nacionalista coida que "a señora De Cospedal debera deixarse de medias tintas e dicir realmente o que pensa, que é mellor disolver as institucións, que unha ditadura é moito máis barata". "Subscribe Feijóo esta postura?", pregúntase. A xuízo do cabeza de cartel do Bloque a intención última do PP é "devaluar a democracia" e, ao tempo, que "só os ricos poidan estar nas institucións", unha postura que ademais considera "impúdica e inmoral toda vez que, ademais, vén dunha persoa como De Cospedal, que chegou a cobrar tres salarios". Nesta liña Jorquera reclama a fin da "demagoxia" neste ámbito. O BNG, sinala, defende uns "salarios austeros para os parlamentares" e "acordes coa súa responsabilidade política" pero "para que curren, non como os deputados do PP, que unha vez conseguido o escano só se dedican a avalar políticas lesivas para os cidadáns que os elixiron". |
NOS_15851 | Recollemos catro dos milleiros de historias que agochan as sinaturas de contratación das participacións preferentes e subvordinadas vendidas por Novacaixagalicia | Miles de persoas estafadas coa venda de participacións preferentes viven situacións dramáticas. Sermos Galiza quixo darlles voz a catro del@s, que partillan connosco as súas historias Ana: "Díxome que non fixera caso das especulacións" Falamos con Ana, unha muller de mediana idade que prefire manter o seu lugar de residencia no anonimato e que nestes momentos se atopa en paro. "Eu tiña uns cartos a prazo fixo e chamoume o director do banco a casa dicindo que tiña data de vencemento e que me vencerían eses días. Fomos a cambialos e pedímoslle outro prazo fixo", cóntanos. Porén, o director ofreceulle unha solución mellor, outro suposto depósito fixo. Garantíronlle que podería retirar os seus cartos cando ela quixera."Nós insistiámoslle en se poderíamos sacar os cartos sen ningún problema, el nos contestaba que si, que sen ningún problema, que isto era coma un prazo fixo". Ao final firmaron seguros de que o que estaban a asinar non tiña ningún risco. Esquecéronse do asunto até que o rumor sobre as preferentes chegou aos seus ouvidos. Cando Ana foi a asegurarse bateu cun contrato de subordinadas no canto do prazo fixo que a ela lle garantiran. Unha é outra vez, o banco teimaba en que o seu contrato non tiña ningún problema. Porén, en setembro, cando as subordinadas entraron no mesmo saco cas preferentes, a realidade abriuse paso. Ana vía como os seus cartos quedaban totalmente atrapados no banco e non se lle devolverían. Carmen: "Estou atada de pés e mans" Carmen, veciña de Santiago de Compostela, acude cada mañá a "loitar" a unha das sucursais de NovaGalicia Banco. "A miña historia é coma todas, coma todas dos demais que estamos aquí", lamenta Carmen. Esta xubilada decatouse de que perdera os seus aforros durante o tempo que o finado do seu marido estivo no hospital debido a que sufrira un ictus. Carmen relata que asinou un contrato coa entidade financeira sen que ningúen lles explicase ben os pormenores do que estaban a asinar. "Eu precisaba deses cartos, pero estaban intervidos, en preferentes. Non sabía que era iso, non sabía o que asinara", conta desesperada. Quitáronlle 80.000 euros. En abril do ano pasado deixou de recibir os réditos do contrato. "A caixa díxome que en xullo ou agosto ía recibir o meu diñeiro, mais pasou o tempo e non me devolveron nada", conta Carmen. Despois disto, acudiu á Arbitraxe e púxose en contacto coa Plataforma de Afectados polas Preferentes. A día de hoxe, esta muller encóntrase nunha situación desesperada, "ninguén, nin o banco nin a Xunta sabe darnos unha explicación ou unha solución para que poidamos recibir os nosos cartos. Por eles, estou atada de pés e mans". Jesús: "Se estamos todos xuntos haberá máis posibilidades" Dentro de estas historias tan conmovedoras atopámonos a Jesús López, que se atopa de baixa por problemas no corazón, e que é outro home que se suma ao carro dos afectados polas preferentes. "Piquei coma un pardillo coma outro calquera, tiña alí uns poucos cartos, e confiaba sempre na Caixa. Un día chamáronme e dixéronme que me ofrecían un novo contrato para manter os cartos, metinos e perdinos". Jesús asegura que non se lle deu ningún tipo de explicación deste novo contrato. El, por suposto, non tiña coñecemento do tema das preferentes, simplemente a Caixa na que el confiaba lle asegurou que en calquera momento ía poder retirar os cartos sen ningún problema, pero non era así. Cando Jesús quixo retirar os cartos foi demasiado tarde. Amósase indignado e síntese estafado. Agora mesmo atópase nunha situación na que non pode traballar e todos os aforros que tiña pasaron a mans do banco. A única solución que acha Jesús e loitar. Unha loita en grupo, non individual."Se estamos todos xuntos haberá máis posibilidades, un por un non temos solución ningunha, nin nisto nin en nada", puntualizou. Marina: "Dixéronnos que poderíamos sacar os cartos mesmo mañá" Marina, unha muller dos arrabaldos de Santiago de Compostela, traballou xunto co seu home no estranxeiro durante toda a súa vida. Hai uns anos decidiron volver e seguindo os consellos dunha empregada do banco, na que tiñan confianza, ingresaron parte dos seus aforros nunha nova conta. "Díxonos que ao cambiar os nosos cartos para esa conta íamos ter moitos máis intereses, pero nós lle insistimos que non os metese en accións. Asinamos e, ao perguntarlle se o noso diñeiro estaría en perigo, ela nos asegurou que non. Díxonos que poderiamos sacar os nosos cartos cando quixéramos, mesmo mañá", recorda Marina con mágoa. Advertiron a estafa cando deixaron de recibir os réditos da conta. "Acudimos ao banco e dixéronnos que os cartos estaban conxelados, non os podíamos retirar. Estaban en preferentes. Quixen falar coa empregada que nos abrira a conta, mais ela desaparecera. Agora sei que a todas esas persoas as van cambiando, para que non poidamos botarnos enriba delas", afirma. Marina e o seu marido acudiron á arbitraxe mediante un avogado e, actualmente, aínda seguen a espera de recibir os seus cartos. Cando lle preguntamos a Marina cal é a súa situación, conta con tristura que esta "ben". "A miña historia e que eu e máis o meu home fomos polo mundo adiante traballando duro, pasando moitas penurias, para logo chegar aquí e que se queden cos nosos cartos, froito do noso traballo". |
NOS_11882 | Se ás 15h eran 100 as hectáreas de monte queimadas polos incendios na fin de semana, na tarde de hoxe a cifra aumenta a un número aínda por determinar, pois hai lumes activos en Teo, Lousame, Toques, Tomiño e A Guarda. O de Teo e o de Tomiño, próximo ás vivendas, obrigaron a decretar a situación de alerta dúas e a despexar os predios próximos. O lume queimou en Toques 160 hectáreas en zona da Rede Natura. | Cinco incendios forestais permanecen arestora activos en Teo, Lousame, Toques e Tomiño, segundo informa a Consellaría do Medio Rural. O de Teo e o de Tomiño obrigaron a decretar a situación de emerxencia dous pola proximidade ás casas. O primeiro deles comezou ás 17.44h na parroquia de Cacheiras, onde traballan arestora medios aéreos e terrestres. As lapas obrigaron a desaloxar vivendas situadas á altura do número 17 da Travesía de Cacheiras e descoñécese arestora a superficie calcinada. A autovía tamén está afectada polo lume que se orixinou na parroquia de Teo. No caso de Tomiño, Medio Rural non achegou máis datos. A Xunta tamén informa do incendio que permanece activo na parroquia de Vilamor do Concello de Toques e, segundo as estimacións, afectaría unas 160 hectáreas. Ademais, en Lousame rexistrouse o lume a parroquia de Tállara ás 15.15h e segundo Medio Rural a superficie afectada superaría as 20 hectáreas. |
NOS_39404 | Galiza seguirá baixo a influencia das baixas presións durante a xornada da segunda feira. Até este domingo, rexistráronse cuantiosos danos materiais polas fortes precipitacións e polo vento de forza oito-nove. A cota de neve está a caer nos 600 metros. | Se de algo se fala na Galiza esta fin de semana é do temporal de chuvia, vento e neve. Desde a sexta feira, rexistráronse no sur do país precipitacións que provocaron inundacións en distintos puntos do mapa. O lugar máis afectado polas chuvias foi Redondela, que aínda o domingo se recupera dos danos provocados polo temporal nas rúas, casas, vehículos e fincas. Tamén se viu afectada a comarca de Ourense pola crecida do río Miño. O regueiro de incidencias rexistradas na mañá do domingo van desde o resgate de catro persoas que estaban atrapadas nun coche pola neve que caeu na estrada que une Manzaneda e Paredela até os cortes en estradas, como a que transcorre sobre a ponte de Noia ou o Corredor do Morrazo, entre moitas outras. Ademais, a neve obrigou a decretar o nivel vermello en estradas de Pedrafita do Cebreiro ou Chantada. Predición Na tarde e na noite do domingo, o temporal continuará a azoutar o país, con ventos de forza oito-nove e con ondas que superarán os seis metros e que poderán chegar aos oito, segundo advirte Meteogalicia. Ao longo da xornada, os refachos en terra superarán os 80 quilómetros á hora e a neve pasará dos cinco centímetros na montaña das comarcas do interior. A Coruña atoparase en alerta vermella durante a tarde e a noite polas ondas e o vento Dado o estado do mar, a Dirección Xeral de Emerxencias decretou alerta vermella para a tarde-noite do domingo na Coruña, onde fican fechados espazos deportivos ao aire libre, praias e parques, incluído o da Torre de Hércules. Non se descarta o feche do paseo marítimo ao tráfico a partir das 20h, coincidindo coa pleamar. Segundo Meteogalicia e 4 Gotas, durante a segunda feira, continuará a inestabilidade na Galiza, con ceos anubrados e precipitacións que remitirán polo sur conforme pase o día. A cota de neve situarase sobre os 500 ou 700 metros e as temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, con xeadas no interior. O vento soprará forte do norte. Na terza feira, Galiza ficará situada momentaneamente baixo a influencia anticiclónica, que fará que o tempo sexa máis estábel. Así, os ceos alternarán nubes e claros. Malia isto, as temperaturas seguirán baixas e os ventos soprarán do norte. |
NOS_18027 | O certame Vilas en Flor, que chega até a súa terceira edición, premia aquelas vilas con maior coidado polos xardíns e o paisaxismo. O evento está organizado pola Asociación de Viveristas del Noroeste e pola Asociación de empresas de jardinería de Galicia en colaboración coa Fundación Juana de Vega | Este ano o certame Vilas en Flor chega ao seu terceiro aniversario co interese dos promotores -a Asociación de Viveristas del Noroeste (Asvinor) e a Asociación de empresas de jardinería de Galicia (Agaexar)-, da Fundación Juana de Vega, que colabora na organización, e dos concellos intacto. O fechamento non permitiría limpar e coidar ao mínimo detalle os xardíns e parques municipais pero o galardón ao mellor traballo de paisaxismo da Galiza segue adiante. Pedro Calaza, que é o voceiro da iniciativa, conta que na primeira edición a participación "foi tímida". Só se sumaron cinco pero en 2019 lograron a implicación de 16 vilas de todo o país. "Este ano alcanzaremos o umbral que nos puxemos", confía Calaza, que fala dunha trintena nun certame que non lles gusta chamar concurso. Non queren amosalo así á sociedade pero o certo é que algúns participantes quedan cunha flor e outros son recoñecidos coas catro que entran en xogo cada ano. Poden darse empates como o do ano pasado entre Chantada e Allariz. Calaza insiste en que os obxectivos son "mellora a estética", a saúde "ambiental" e a cantidade de espazos públicos verdes. Ademais, hai unha vertente económica ou social porque están a crear unha ruta entre os concellos mellor valorados para que o turismo interno e externo teña unha nova proposta de entretemento. Polo de agora non se fixeron públicos os lugares que amosarán ao xurado o seu saber facer coa verdes e as plantas. Antes de que a gala de Vilas en Flor decorra en Allariz en outubro os participantes teñen que facer fincapé nas súas vantaxes a nivel de "patrimonio vexetal, respecto medioambiental e sinerxias" con entidades como colexios ou asociacións veciñais. |
PRAZA_10860 | O devalo demográfico é un dos principais problemas do país e as administracións publicitan todo tipo de facilidades. Durante as cinco fins de semana de agosto contamos os trámites, trabas e dúbidas a que se enfronta unha familia acabada de nacer na súa relación coas administracións. | O devalo demográfico é un dos principais problemas do país. Durante as cinco fins de semana de agosto contamos os trámites, trabas e dúbidas a que se enfronta unha familia acabada de nacer na súa relación coa administraciónAs administracións axúdanche a ter un bebé con cartos e tempo, facilitando trámites, con recursos de conciliación e con atención sanitaria. Así se encargan elas mesmas de publicitalo, non sempre indicando os matices que fomos debullando nesta serie de reportaxes que agora chega á súa fin. Pero hai algunha axuda máis? Si, algunha hai, pero tes que buscala no BOE e no DOG, máis alá da propaganda oficial.A principal axuda para as primeiras semanas de vida do bebé é o tempo, que a Seguridade Social dáche en forma de prestación para que sigas cobrando e cotizando igual que se seguises a traballar mentres atendes dun ser que non se vale por si mesmo. Ese tempo remata máis cedo ou máis tarde, pero contémplase unha especie de prórroga: a posibilidade de que pidas unha redución de xornada ou unha excedencia e que a Seguridade Social siga a cotizar por ti. Esa denominada prestación familiar, que se pide simplemente comunicándolle á túa empresa que queres traballar menos e ela tense que encargar dos trámites, contempla que a Seguridade Social siga cotizando polo 100% do soldo orixinal durante os dous primeiros anos de redución de xornada para coidado de menores de 12 anos ou durante os tres primeiros anos de excedencia que poida solicitar calquera proxenitor. Cotiza por ti, cos efectos que iso ten para o futuro cobro da xubilación ou da prestación de desemprego, pero ti deixas de ingresar cada mes o teu soldo en proporción ao número de horas que reduzas a túa xornada (ou deixas de ingresar por completo se o que colles é unha excedencia). Para os casos de redución de xornada, a Xunta ten axudas coas que complementa parte do soldo que deixas de percibir. Pero agora veñen os peros.Axudas á conciliación con trámites que dificultan conciliarAs axudas da Xunta para a redución da xornada laboral son para homes porque din que así os incentivan a axudar ás mulleresAs axudas da Xunta para a redución da xornada laboral (as que están na man dos traballadores, porque as que hai para as empresas, das empresas depende implicarse ou non na conciliación) son na práctica unha subvención, coa complexa tramitación que iso implica, e están dirixidas aos homes, non ás mulleres, que só as poden pedir no caso de familias monoparentáis. O argumento da Xunta é que así incentivan aos homes a que compartan as cargas coas mulleres...As axudas á redución de xornada son unha subvención por concorrencia competitiva que poden non darche porque xa non queden cartosA subvención só se convoca unha vez ao ano, en maio. É por concorrencia competitiva, así que pode que, unha vez pedida a redución de xornada, quedes sen ela porque haxa outros solicitantes con máis méritos ca ti e esgoten os cartos dispoñibles. Subvenciona un máximo de 8 dos 12 meses do ano en que reduzas a xornada, e con cifras que oscilan entre un máximo de 3.700 euros ao ano para os pais con tres ou máis fillos que reduzan a xornada ata un 50% e un mínimo de 1.700 euros ao ano para pais cun só fillo que reduzan menos dun 25% a súa xornada. Por exemplo, cun só bebé e reducindo a xornada á metade, a Xunta dáche, cobrases o que cobrases antes, un total de 3.100 euros por 8 meses, que dividido entre os 12 meses dun ano real, non dun ano subvencionable, sae a 258 euros cos que compensar o que deixaches de ingresar. Iso si, non o vas cobrar ata que remate o ano. E antes tes pedilo exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta, e debes achegar despois indicadores da túa produtividade laboral coa redución de xornadas, e someterte, se así é requirido, a unha fiscalización por parte da Intervención xeral da Xunta, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas "e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control", conservando toda a documentación xustificativa ata tres anos despois para o que considere ao respecto a Comisión Europea. Cumpridos todos eses requisitos, pode pasar, como sucedeu o ano pasado, que a Xunta che dea unha única data concreta para que xustifiques todo e poder cobrar. Malia que pode que todo isto che quite horas de sono e de atención ao bebé, a Xunta chama oficialmente a esta subvención "axudas á conciliación da vida familiar e laboral".Coidado coa tramitación do Bono CoidadoCo Bono Coidado primeiro tes que conseguir que a Xunta che recoñeza o dereito a recibilo e despois, cando teñas un gasto subvencionable, xustificalo con facturas e certificados médicos ou laborais e pedir que che paguen unha parteTamén ten prazos concretos de solicitude outra axuda autonómica, o denominado Bono coidado, pensado para contribuír aos custes imprevistos cando un neno menor de 12 anos, un proxenitor ou un familiar que o teña ao cargo estean enfermos ou cando os últimos por cuestións laborais sobrevidas non poidan, para que poidas contratar unha persoa que o coide a domicilio ou deixalo puntualmente nun centro de atención autorizado e a Xunta te devolva posteriormente parte do gastado. O Bono Coidado pídese a comezos de cada ano, cando no DOG se abra a súa convocatoria, e o dereito que che recoñecen está vixente só durante ese ano. Porque primeiro tes que conseguir que che recoñezan o dereito e despois, cando teñas un gasto subvencionable, xustificalo con facturas e certificados médicos ou laborais e pedir á Xunta que che pague unha parte.A convocatoria do Bono Coidado, ao igual que a da Tarxeta Benvida, indica que as solicitudes "presentaranse preferiblemente por vía electrónica", deixando a vía física nun rexistro da Xunta como opción secundaria. Pero pode pasar que o pidas por esa vía electrónica preferente e que un tempo despois unha funcionaria che diga por teléfono que os datos que remitiches son os da túa "outra familia", non da familia para a que pides a axuda. Conseguir convencer á funcionaria de que debe ser erro seu, que ti só tes unha familia, pode ser máis ou menos dificultoso. Pero que a continuación a traballadora pública che diga que en dixital os arquivos se transpapelan e que é mellor presentar esas cousas en papel, en persoa e vía rexistro, fai que calquera recee dos procedementos electrónicos que a Xunta establece como preferibles. Cando consegues que a funcionaria che certifique formalmente que si, que ti enviaches ben os papeis, suspiras pensando na sorte de ter só unha familia e non ver multiplicada a espiral de burocracia na que entraches cando o teu bebé, só 36 horas despois de nacer, saíu do hospital e entrou pola porta da casa. Aí comezou todo.Podes reler aquí a serie de cinco reportaxes Nacer en Galicia que fomos publicando ao longo das fins de semana de agoso |
NOS_26448 | Concentracións de traballadores denuncian o "oscurantismo" co que as cúpulas de ambas entidades están a levar a cabo o proceso de absorción. | Delegados e delegadas da CIG no Banco Pastor e o Banco Popular iniciaron esta semana un novo calendario de concentracións para denunciar o escurantismo co que as cúpulas de ambas entidades están a levar a cabo o proceso de absorción. A central nacionalista lamenta que logo de seis meses do anuncio da medida, "o persoal descoñece cal vai ser o seu futuro laboral, en que condicións realizará o seu traballo ou mesmo se se van producir despedimentos e en que contía". "Queremos negociar colectivamente as condicións laborais e económicas de todos os traballadores/as do Banco Pastor e o Banco Popular, defender os postos de traballo en Galiza e coñecer onde van recolocar ao persoal das oficinas que pechan", reivindicou a secretaria da Sección Sindical da CIG no Banco Pastor, Gladys Afonso- Afonso denunciou que están en risco arredor de 500 empregos nos Sevizos Centrais, unha vez finalizado o proceso de prexubilacións que afectou a 349 persoas do Pastor (unhas 150 destinadas en Servizos Centrais) e a 40 do Popular. A este número habería que engadir, lembran desde a CIG, o excedente de persoal xerado polo proceso de fusión e peche de oficinas que terá lugar nos vindeiros meses. Até o momento xa se unificaron dúas oficinas na Coruña e outras dúas en Arzúa e están previstos peches en Pontedeume, Quiroga, O Temple e Ordes, aínda que previsibelmente o proceso afecte a un número maior de sucursais. Tampouco corren mellor sorte os máis de 300 empregados e empregadas das empresas do Grupo Pastor (Universal Support, Pastor Servizos Financeiros, GTE, etc.), xa que as direccións aínda non aclararon que intencións teñen con estas filiais. |
NOS_25389 | Nunha entrevista concedida á televisión española, El-Rei asegura estar "preocupado" polas "políticas rupturistas" das que dixo, "non nos conveñen moito". O monarca non se pronunciou sobre a imputación de Urdangarin. | A primeira entrevista en moitos anos e case por vez primeira a un medio de comunicación español. A crise, non só de imaxe senón política, pola que atravesa a Coroa española está empurrando ao xefe de Estado a mudar a súa axenda e introducir nela novas fórmulas que reconstrúan ese ar "campechano" do que se valeu durante as últimas décadas para manter arredado da monarquía calquera debate. Nunha entrevista pactada, en que o xornalista, Jesús Hermida, non fixo ningunha pregunta vencellada aos maiores e últimos escándalos da Casa real, El-Rei non tivo que pronunciarse a respecto da imputación do seu xenro, Iñaki Urdangarin, nin tampouco sobre o seu accidente mentres cazaba elefantes en Botsuana. A televisión pública está a servir a Juan Carlos de Borbón para mellorar a súa imaxe nuns intres en que cada vez son máis as voces que baten contra a monarquía, ao constiruír un réxime anti-democrático --o monarca non foi elixido en votación e o seu cargo é, amáis de vitalicio hereditario--. Así mesmo o explicaban fontes da Casa real que aseguraron ter aceptado a proposta da canle pública "porque nos pareceu unha oportunidade". Porén, malia a que o rei refrendou os seus poderes coa sinatura da Constitución de 1978, o monarca comezou a se posicionar politicamente de maneira ben notoria nos últimos anos. Asi, a través dunha Carta publicada o pasado mes de setembro no sitio web da Casa real, o monarca defendía a "unidade de España" fronte as veleidades independentistas catalás, asegurando que este non era "tempo de escudriñar en esencias" nin de "dividir forzas". Na súa entrevista-alegato centralista da pasada sexta, El-Rei volveu a asegurar, máis unha vez, sentirse "moi preocupado" polas "políticas rupturistas" , ás que mesmo calificou de "intransixentes". Neste senso, o Borbón mesmo afirmou que este era un dos asuntos que máis lle preocupaban nestes momentos pois, dixo, "non nos convén", entendemos que á monarquía en tanto que símbolo da "unidade de España", á que o monarca apelou en diversas ocasións durante a conversa con Hermida. No entanto, non son só as pretesións catalás as que preocupan ao monarca, quen tivo tempo para lembrarse "da violencia terrorista" como unha das "insatisfaccións" do seu cuarto de século reinando. A desaparición dun dos maiores pactos de silencio após a ditadura --o que existiu tradicionalmente entre a imprensa española e a Casa real-- está a facer complexa a labor de El-Rei que en máis dunha ocasión tivo que dar explicacións polos seus comportamentos "inapropiados". Malia que durante a entrevista concedida a televisión española, o monarca non tivo que responder a preguntas comprometidas, o xefe de Estado español mesmo chegou a se disculpar polo acontecido en Botsuana mentres cazaba elefantes. Porén, foi a imputación de Iñaki Urdangarín o asunto máis espiñento de 2012 para a Casa real, que axiña o borrou da axenda oficial. Tampouco houbo espazo na entrevista para que o monarca se pronunciase ao respecto. En troca, si aproveitou a oportunidade brindada por TVE --que emitiu a gravación en prime time (espazo de máxima audiencia)-- para amosar a faciana máis "humana" do Borbón e perfilar a liña sucesoria abrindo camiño a Felipe. Aínda que, a priori, El-Rei desbotou a idea dunha hipotética abdicación, si asegurou que o seu fillo "é o mellor preparado". |
NOS_56629 | Foron 3.130 no primeiro cuadrimestre, case 1.100 máis que os rexistrados no mesmo período de 2015 | Galiza rexistrou no primeiro cuadrimestre un total de 3.130 traballadores afectados por un expediente de regulación de emprego (ERE), o que supón un incremento do 53% a respeito dos que estiveron nesa mesma situación nos primeiros catro meses de 2015, 2.036. Ese ano houbo, entre xaneiro e decembro, 6.267 afectadas por un ERE. Desas 3.130 persoas que sofreron un expediente de regulación de emprego no primeiro cuadrimestre deste ano, a gran maioría foron por un ERE suspensivo (2.208), mentres que por un expediente extintivo foron 533 e por redución de cotrnada, 389. Segundo os dados do Instituto galego de estatística, entre xaneiro de 2012 e abril de 2016 houbo 90.556 traballadores afectados por un expediente de regulación de emprego. O ano con máis EREs foi o 2012, con perto de 29.000 traballadores. |
NOS_47922 | Desde Deng Xiaoping ningún dirixente do PCCH conseguira que o seu nome e apelido figurase na carta magna do país. | Xi Jinping xa está na Constitución da República Popular de China á altura das dúas grandes figuras da Revolución de 1949, Mao Zedong e Deng Xiaoping. A Asemblea Nacional do Poder Popular aprobou 21 emendas á Carta Magna, entre as cales figura a alusión directa á doutrina do "socialismo con características chinesas nunha nova era" estabelecida polo secretario xeral do PCCH e presidente da República, Xi Jinping. En que consiste o "socialismo con características chinesas nunha nova era"? É difícil de o precisar con exactitude -o pensamento chinés escapa sempre ás simplificacións-, mais remite para unha certa mestura de elementos do maoísmo e do denguismo. Xi proporía unha sorte de síntese de Mao e Deng. De Mao herda Xi o apelo ao reforzamento do PCCH como estrutura dirixente do Estado -até o ponto de afirmar a primacía daquel sobre este. De Deng certo pragmatismo económico, mais non até o ponto de pór en cuestión a primacía das empresas estatais sobre as privadas nos sectores estratéxicos do país. Como estaba previsto, a Asemblea Nacional do Poder Popular aprobou unha emenda que elimina o límite de dous mandatos para a presidencia da República. Racha así Xi con Deng, quen introduciu esa restrición para no país non se voltar a repetir o culto á personalidade a época maoísta. Nisto Xi está, pois, máis perto de Mao do que de Deng. O apoio da ANPP ás teses de Xi foi abrumador. Dos 2.962 votos emitidos, 2.957 foron a prol da eliminación do límite de dous mandatos, 3 foron abstencións e só se rexistaron 2 votos en contra. A entronización de Xi representa tamén unha clara aposta do PCCH pola estabilidade. Evítase así entrar nunha hipotética guerra de faccións no interior do partido, entre os partidarios da liña representada polo ex presidente Jiang Zemin, máis favorábeis ao avanzo do sector privado na economía do país, e as correntes neo-maoístas, que virían representar por volta do 30 por cento das bases da formación comunista. |
NOS_43331 | Os proxectos eólicos que se prevé construír en Lalín, os de Porcallos e Val do Folgoso, estarían a obviar as afeccións sobre un espazo da Rede Natura 2000. Aliás, os aeroxeradores situaríanse "a apenas tres quilómetros do casco urbano do municipio". | O BNG de Lalín presentou nesta segunda feira, da man do biólogo Martiño Nercellas, unha serie de alegacións contra os dous parques eólicos proxectados no municipio, os de Porcallos (cuxos terreos comprenden tamén parte de Silleda e Vila de Cruces) e Val do Folgoso (alén de Lalín, Dozón e Rodeiro). No documento cuestiónase, por unha banda, a vulneración do "carácter regulado" e o "principio de proporcionalidade" que estabelece a Lei 24/2013 do sector eléctrico no tocante á planificación eólica, e, noutra orde, as "grandes eivas" no diagnóstico de impacto ambiental. Deste modo, estaríase a ignorar "que resulta afectado un espazo da Rede Natura 2000 (nos Sobreirais do Arnego), con especies ameazadas como o mexillón do río ou a auganeira". Tamén se excluiría a presenza do lobo na zona, que precisa da adopción de medidas de especial protección. "Non estamos a falar do típico parque eólico situado no alto dun monte, senón que os terreos se atopan a apenas tres quilómetros do casco urbano de Lalín", lamenta, en conversa con Nós Diario, o portavoz do BNG na corporación local, Francisco Vilariño. Neste senso, salienta que os aeroxeradores se erguerían nas parroquias de Goiás e Maceira, "cun enorme potencial agrogandeiro". No último pleno, as catro forzas políticas da corporación local acordaron solicitar unha moratoria eólica á Xunta e ao Goberno do Estado, e convidáronos a artellar unha nova planificación baseada na "racionalidade". "Queremos apostar polo rural, mais estamos a destruílo. Pretenden espoliar os nosos recursos para sacar beneficio fóra e que aquí quede o impacto negativo", conclúe o edil nacionalista. "Xa temos dous parques e nada foi a mellor" A escasos quilómetros de Lalín, no concello de Forcarei, a veciñanza de diferentes parroquias da Terra de Montes mantivo un encontro este domingo ante a preocupación colectiva pola "invasión eólica" e a "desinformación e desinterese das corporacións dos concellos afectados" polos 16 parques proxectados na contorna. A isto habería que sumar todas as liñas eléctricas de media e alta tensión que cruzarían o territorio para evacuar a enerxía xerada de cara ás estacións de Silleda, Beariz e Caldas de Reis. "Nós xa temos dous parques (no Monte Seixo e na Serra do Candán) e non melloraron nada as nosas condicións de vida nin nos baixaron a factura da luz", sinala a este xornal unha das veciñas afectadas. Aliás, censura que os Gobernos dos municipios en cuestión "semellan non ter interese" ante os "danos irreversíbeis" que provocarían estes proxectos e sobre os que, asegura, carecen de información clara. Tras esta primeira toma de contacto, as e os veciños, que xa contactaron con outras plataformas sociais do país que rexeitan o inzamento de parques eólicos, reuniranse de novo o vindeiro 2 de maio. |
PRAZA_15271 | O Consello de Ministros soterrou un dos compromisos do presidente do Goberno central máis reiterados ao anunciar que non pagará o aumento da inflación aos pensionistas | Entre os pensionistas e a redución do déficit, o Goberno escolleu comprometerse co segundo. O temor de moitos de que as pensións non se revalorizarían acorde coa subida do IPC viuse confirmado aínda que Mariano Rajoy prometera que non o faría porque era unha "liña vermella" que non quería traspasar, e combateuno na oposición cando José Luís Rodríguez Zapatero conxelou as pensións (vídeo). No debate electoral con Alfredo Pérez Rubalcaba, o entón candidato 'popular' usou o argumento das pensións para atacar o Goberno do PSOE. Era o 7 de novembro de 2011, hai pouco máis dun ano. O Goberno xogou despois ao descoido e só respondía que cumpriría a lei. O secretario de Estado de Seguridade Social chegou a asegurar que se revalorizarían porque "había marxe". 10 de setembro "Se hai algo que non tocarei son as pensións" foi un dos titulares da primeira entrevista que Mariano Rajoy concedía a TVE despois de gañar as eleccións. A explicación soaba moi lóxica: "A fin e ao cabo, o pensionista é a persoa máis indefensa, é o que o ten máis difícil, xa non vai ter outra oportunidade". Como dato curioso, o presidente empezaba a súa resposta dicindo aos xornalistas: "Non sei por que me preguntan vostedes polas pensións". 21 de setembro Nun encontro informal cos xornalistas que o acompañaban en Roma, onde asistía a unha reunión da Internacional Demócrata de Centro, Rajoy falou de novo de pensións. Foi o 21 de setembro: "Eu creo que as subiremos". Non deu detalles sobre a revalorización obrigada pola desviación do IPC. 25 de setembro A vicepresidenta, Soraya Sáenz de Santamaría, asegurou na Ser: "As pensións vanse a subir e axustaranse á subida da vida" 22 de setembro O ministro de Economía e Competitividade, Luis de Guindos, tras reunirse cos líderes autonómicos do PP: "As pensións serán unha partida prioritaria desde o punto de vista do gasto público". 10 de outubro A ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, na sesión do control ao Goberno, en resposta á deputada socialista Magdalena Valerio: "Sacaron ese diñeiro pola porta de atrás (...) Non o usaron para pagar as pensións porque as conxelaron en 2011. Que barbaridade! Que deslealdade cos pensionistas!. Nós démoslles tranquilidade e seguridade, porque as pensións están garantidas e os fondos adicionais están para pagar as pensións relixiosamente. O que non imos facer nunca é conxelar as pensións, como fixeron vostedes". 8 de novembro Quizá o máis contundente en negar que as pagas dos pensionistas se verían afectadas por decisión do Goberno foi o secretario de Estado de Seguridade Social, Tomás Burgos. O día 8 deste mes, comparecía ante o Pacto de Toledo e protestaba por ter que estar a desmentir o que moitos temían. Burgos queixouse de que se estivese "invertindo a carga da proba" e atopaba "un exercicio ocioso e inútil pedirlle a un Goberno que sistematicamente afirme que vai cumprir a lei". 26 de novembro Hai cinco días, Burgos insistiu en que había "marxe orzamentaria para revalorizalas". |
NOS_48930 | O até agora príncipe de Asturias enaltece "España" como "unha nación unida e diversa". | Felipe de Borbón que con toda probabilidade será coroado como rei de España o vindeiro 18 de xuño interveu esta cuarta feira nun acto en Nafarroa. Este era o primeiro discurso após a abdicación de Juan Carlos I. Felipe VI definiu Nafarroa como "un dos solares orixinarios da nosa patria española" unha "nación" dixo "unida e diversa" que "funde as súas raíces nunha historia milenaria". Ás portas do acto representantes de EH Bildu manifestábanse coincidindo coa intervención do príncipe como "mostra de rexeitamento á presenza de membros da Casa real en Nafarroa". Unha institución, subliñaron, "herdeira directa do franquismo" e "o símbolo máis claro da negación dos dereitos dos pobos". Desde EH Bildu aseguraron que "perante a abdicación, é o momento de dar unha verdadeira ruptura democrática" que vaia para alén do debate "entre monarquía e república" e que aborde, defenden, "a cuestión de fondo, o modelo de Estado e o dereito a decidir". |
NOS_8142 | Denunciados pola Policía, os feitos decorreron en Compostela no marco dunha mobilización a prol do proceso catalán. | Tres persoas expóñense a una multa de 601 euros cada una, 1.803 euros en total, por despregar en Compostela una faixa solidaria cos presos independentistas galegos. Así o vén de denunciar Ceivar, que anuncia que nos vindeiros días informará das acción de denuncia destes feitos. A finais de setembro pasado en Compostela tivo lugar una manifestación de solidariedade con Catalunya e o seu proceso de autodeterminación. Na Praza de Galiza, e como é habitual en mobilizacións sociais, un grupo de solidarios e solidarias de Ceivar vestidos con buzo branco despregaron una faixa de apoio aos presos e presas independentistas. Axentes da Policía española procederon á identificación desas persoas, indicando que estas se resistiron nun primeiro momento a ser identificadas, e cursaron denuncia por unha "infracción grave" do artigo 36.6 Lei de protección de seguridade cidadá, que contempla multas de até 30.000 euros. Neste caso, a proposta de sanción é de 601 euros para cada unha das tres persoas. O artigo fai referencia á desobediencia ou negativa a se identificar a requeremento a autoridade. Três pessoas multadas com 601€ cada umha por despregar faixa pola liberdade d@s pres@s durante o percurso dumha mani em Compostela polo direito a decidir de Catalunya.Nos proximos días anunicaremos actividades em diferentes pontos do país para sufraga-las.NOM NOS CALARAM! pic.twitter.com/CZGBXghRkh— Ceivar (@Ceivar_OPAR) 29 de maio de 2018 |
NOS_50982 | Nin equipos de protección individual (EPI) suficientes nin, nalgún caso, máscaras. O Sindicato de Enfermaría (Satse) denuncia que o persoal deste e doutros colectivos profesionais sanitarios galegos está a traballar sen o material necesario, perante o "aumento da presión nos hospitais" polo incremento de casos de coronavirus, que onte acadaba na Galiza os 453 casos e as cinco persoas falecidas. | Malia que o ministro de Sanidade, Salvador Illa, anunciaba nas últimas horas o reparto de case dous millóns de máscaras, a falta de abastecemento destes equipamentos, tanto para o persoal sanitario como para o que presta atención social, é un feito recoñecido, que esta semana levou a Xunta a reclamar con urxencia do Goberno central material protector que permita aos equipos profesionais seguir prestando a atención con rigor e sen risco de transmisión. A escaseza corrobórana profesionais sanitarias de distintos puntos da xeografía galega, que falan de "racionamento" dos equipos en centros de saúde como o de San Xosé, na Coruña ou o hospital de Montecelo, en Pontevedra. Neste centro hospitalario, membros da plataforma de Enfermeiras Eventuais en Loita advirten de que as máscaras cirúrxicas están "contadas", e que das PFF2, máscaras autofiltrantes, "non hai ningunha". "Imos moi escasos de material, temos o stock que temos e hai que afinar moito en que casos utilizalo, porque tes que aproveitalo ao máximo", concorda desde o centro de saúde de Matamá, en Vigo, o médico residente Álvaro Lamas, quen apunta ademais que na Galiza, aínda estamos nos primeiros estadios da pandemia, que non acadou a incidencia doutros puntos do territorio estatal. En Ourense, o sindicato de Enfermaría remitiu nas últimas horas un escrito de queixa á xerencia do Complexo Hospitalario Universidario, o CHUO, onde critica que non se conte co material necesario para unha adecuada prevención, e criticando que "as normas de separación non existen". Segundo advirte, o persoal da área ourensá "non está a recibir máscaras malia que as profesionais de planta están sobreexpostas" á enfermidade. O mesmo sucede, a ollos desta central, na Coruña, Compostela ou Ferrol, onde "as máscaras escasean, os lentes de protección recíclanse, as máscaras FFP2 están baixo chave e úsanse durante máis de oito horas" e, en xeral, o material raciónase. Segundo alerta, en Vigo "hai profesionais con síntomas –que estiveron en contacto con persoas contaxiadas– a quen non se lles fixo a proba de PCR" para saber se son ou non portadoras do virus. Sobre a situación na área de Lugo, o sindicato informa de que as plantas de hospitalización están cunha ocupación menor do normal" e que "só se está ingresando o imprescindíbel" para anticipar a chegada masiva de persoas con síntomas por coronavirus que requira a hospitalización. Desde o Satse matizan que o abastecemento de equipos de protección individual é suficiente nos servizos "diana", caso da COVID-19, mais non ocorre así no resto, onde hai "escaseza" do material protector. Denuncia contra o Sergas por "expor" traballadoras embarazadas ou vunerábeis O Sindicato de Profesionais da Sanidade Pública Galega (Prosagap) presentou na Inspección de Traballo unha denuncia contra o Sergas por "expor" ao coronavirus a traballadoras embarazadas, lactantes e con patoloxías crónicas. O colectivo reclama que o servizo sanitario galego adopte as medidas que se recollen no procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais aprobado polo Ministerio de Sanidade o pasado 11 de marzo e que, segundo advirte, non se está aplicando nestes casos. "Somos conscientes da excepcionalidade da situación e as traballadoras da sanidade estamos a poñer todo o noso esforzo, mais non podemos asumir riscos engadidos", manifesta o sindicato, que reclama que este persoal vunerábel "pase a gardar illamento no seu fogar", unha petición á que tamén se suma o Satse. |
NOS_33148 | A CIG rexistrou a convocatoria do paro. | "Ante a situación insostíbel que vive o conxunto dos 21 traballadores e traballadoras da Escola Municipal de Música de Compostela que seguen sen cobrar desde o pasado mes de agosto, o sindicato rexistrou a convocatoria oficial de folga da que xa están advertidos o Concello e a empresa concesionaria do servizo". Así informan desde CIG-Ensino, sindicato que ostenta a representación do cadro de persoal e a delegada da Escola Municipal de Música e que indica que dan este paso após que o persoal leve case tres meses sen cobrar o seu salario íntegro. "Tan só recibiron unha nómina correspondente ao mes de agosto o día 6 de outubro". Ante esta situación, que cualifican de "desesperada" e que sinalan que pon en risco a viabilidade do servizo educativo, o conxunto dos traballadores e traballadoras tomaron de forma unánime esta decisión que xa está en coñecemento tanto da empresa como do Concello de Santiago. Desde o persoal docente e non docente lamentan as consecuencias que esta decisión poida ter no alumnado e nas familias que acoden á Escola e insisten en que intentaron por todos os medios que se resolvera antes de optar por esta saída tan "drástica". |
NOS_14730 | Quer mudar o nome do Hospital Universitario de Gran Canaria, actualmente Doutor Negrín – quen fora presidente da II República española-. polo do creador e principal accionista de Inditex. | O candidato de Vox á presidencia do goberno das Illas Canarias propuxo que o actual Hospital Universitario de Gran canaria 'Dr Negrín' pase a denominarse Hospital Universitario de Gran Canaria 'D. Amancio Ortega'. Esta sería a segunda medida que adoptaría, segundo declaracións recollidas por Europa Press, pois a primeira pasaría por recortar "chiringuitos" na sanidade. O partido de extrema dereita considera que o hospital público canario non pode levar o nome dunha persoa como Negrín, "de dubidosa responsabilidade" e enxalzou Amancio Ortega, "que tanto está a facer pola medicina e a cura do cancro no noso país". As declaracións prodúcense despois de que unha doazón de Amancio Ortega á sanidade fose motivo de debate. Fronte aos que defenden o 'mecenazgo filantrópico' da acción, diferentes organizacións e plataformas lembraron que a sanidade debería financiarse con recursos públicos, procedentes dunha fiscalidade máis xusta e na que as persoas máis adiñeiradas paguen máis fronte aos baixos tributos actuais. |
PRAZA_7463 | O Valedor do Pobo reclámalles aos concellos que non lles esixan o pagamento do imposto de plusvalías ás persoas afectadas por desafiuzamentos | Unha familia chega a unha situación económica límite, tanto que non é quen de facerlle fronte á súa hipoteca. O banco vai ao xulgado, inicia un procedemento de execución hipotecaria que remata en lanzamento, isto é, en desafiuzamento. Xa fóra da vivenda, as persoas que moraban nela reciben unha nova reclamación de pagamento: o Concello reclámalles que abonen o mesmo imposto que terían que achegar se vendesen o piso. Isto é o que lle aconteceu a varias familias galegas nos últimos meses, a última no Concello de Barbadás, unha paradoxal circunstancia que levou o Valedor do Pobo a iniciar actuacións de oficio e a dirixirse aos gobernos municipais para que o eviten. A recomendación do Valedor en funcións, José Julio Fernández, refírese concretamente ao coñecido como "imposto de plusvalía municipal" co que os concellos gravan a venda de vivendas e que se calcula baseándose no incremento do valor da propiedade ao longo do tempo. O alto comisionado do Parlamento "rexistrou varias queixas de persoas afectadas por execucións hipotecarias que, despois de perder a casa, recibiron ordes de cobramento dos concellos" para que pagasen este tributo, explican dende a súa oficina. "Aínda que exista unha base legal" o Valedor coida que os concellos deben eliminar estes procedementos. O Valedor coida que aplicarlle o imposto de plusvalías ás persoas afectadas por desafiuzamentos "colisiona co criterio básico de xustiza material" Esta é a mensaxe que lle dirixiu en primeiro termo aos concellos afectados e, a continuación, ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), José Manuel Rey Varela, xa que o Valedor considera que "a actuación dos servizos de recadación nestes casos colisiona co criterio básico de xustiza material", mesmo "entendendo" que o imposto "revirte na comunidade" nuns tempos de "delicada situación económico-financeira" para as entidades locais. Pero "a total ausencia da capacidade contributiva no suxeito pasivo", isto é, nas persoas afectadas por desafiuzamentos, "fai que este tipo de transmisións forzosas deban estar exentas de tributación". Neste contexto, Fernández coida que a Fegamp lle debería remitir unha recomendación a todos os concellos para que "nas ordenanzas fiscais do Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana" sexa introducido un "suposto de exención para o caso da transmisión de vivenda habitual do debedor hipotecario realizada a prol do acredor como consecuencia dun procedemento de execución hipotecaria". Esta, explica, sería unha "solución de carácter xeral" por "razóns de xustiza material e equidade" que evitaría intervencións de emerxencia como a que tivo que efectuar o propio Valedor en Barbadás. Neste caso, a intervención do alto comisionado "permitiu que se lle reintegrase á familia afectada a cantidade abonada por medio dunha axuda de emerxencia social". |
NOS_30521 | O sistema educativo é un dos piares chave do modelo de benestar. A un tempo, contribúe ao desenvolvemento dunha sociedade e actúa como ferramenta para igualar o conxunto dos seus integrantes. Neste sentido, existe un consenso xeneralizado sobre a súa contribución á mellora da calidade de vida. Eis as sete cifras que deixa a etapa de Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta da Galiza. | 1.— 146 centros educativos públicos foron fechados polo Executivo galego desde a chegada de Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta. A 31 de decembro de 2008, tres meses antes de que os populares acadasen o Goberno, Galiza contaba con 1.246 centros escolares de titularidade pública, ficando abertos 11 anos máis tarde 1.082. O ensino perde 250 docentes ao ano Segundo as cifras ofrecidas polo Instituto Galego de Estatística (IGE), organismo público dependente da Administración galega, a maior parte dos feches das unidades educativas concentrouse nos espazos rurais e vilegos, producíndose unha redución xeneralizada da oferta formativa no conxunto do país. 866 docentes menos 2.— 866 docentes menos haberá para o curso 2022/2023. Nun informe elaborado pola CIG, sindicato maioritario entre o profesorado galego, sobre os Orzamentos da Xunta de 2022 sinálase que para ese curso o número de ensinantes na educación pública será de 30.439, mentres en 2009 se situaba en 30.424. Neste sentido, os principais recortes téñense producido entre os mestres de infantil e primaria, só rexistrándose aumento en Secundaria e Formación Profesional, como consecuencia das contratacións efectuadas durante a pandemia como resultado dos incrementos das ratios modificadas pola situación de emerxencia sanitaria. 3.— 15,44 é a porcentaxe de perda de poder adquisitivo que se rexistrou nos salarios do profesorado desde 2010. Os traballadores públicos viron reducido o seu poder de compra en 2010, 2011, 2012, 2013, 2016, 2017 e 2021, prevéndose unha mingua considerábel para 2022 como consecuencia da alza da inflación. Ao tempo, a Galiza foi o único territorio que non pactou a devolución das pagas extras retalladas entre 2021 e 2016, provocando, segundo a CIG-Ensino, "unha perda dunha media de 6.500 euros para cada docente". 5.000 docentes xubilaranse en 5 anos 4.— 5.000 ensinantes xubilaranse nos próximos cinco anos, ao situarse máis de 7.753 ensinantes entre os 55 e os 65 anos, e 2.657 deles, na franxa de idade entre 60 e 65, colocándose así o corpo de mestres e as especialidades con máis docentes como o grupo máis numeroso. Así, entre os primeiros destacan 1.316 mestres de Primaria, 488 de Infantil ou 249 de Inglés, significándose, entre os segundos, 500 ensinantes de Inglés, 477 de Lingua galega, 355 de Xeografía e Historia e 343 de Matemáticas. Nesta liña, desde a CIG-Ensino sinalan que "o cadro de persoal do sistema educativo galego é o máis avellentado do Estado español" e reclaman convocatorias masivas de oposicións. 5.— 4% de caída do gasto educativo no total dos orzamentos da Xunta desde o curso 2009/2010. De comparar as contas educativas coas do conxunto do Goberno galego nos orzamentos de 2022 advírtese un lixeiro incremento ao respecto do ano anterior mais fica moi lonxe da relevancia de Educación nas contas xerais producidas nos exercicios 2006-2009 (no Goberno de PSdeG e BNG na Xunta). A Xunta incrementa o apoio económico dos centros de ensino concertados Así, mentres naqueles anos se superaron porcentaxes de 26% no gasto educativo sobre o gasto total da Xunta, nas contas de 2021 non superan 21%. Nesta liña, o último orzamento da Xunta bipartita recollía 2.432 millóns de euros para Educación, que representarían hoxe, 2.811 millóns, non chegando o gasto de 2021 a 2.700 millóns. Concertos educativos 6.— 140 concertos educativos máis sumou a Galiza nos últimos 12 anos, pasando de 3.836 aulas en 2008 a 3.967 aulas no ano lectivo de 2021/2022. Ao tempo, téñense incrementado en 18% os fondos públicos destinados pola Consellaría de Educación a financiar o ensino privado. Se no último curso no que a Xunta estivo gobernada pola coalición entre o PSdeG e o BNG as achegas do Executivo alcanzaron 239 millóns, no curso 2020/2021 situáronse en 276,4 millóns de euros. Mentres, neses 12 anos o orzamento destinado ao ensino público non universitario medrou en 18 millóns de euros, isto é menos de 1%. As achegas ao privado incrementáronse en 37,4. "No ensino, sen as mulleres non se podía facer nada" 7.— 19,6 millóns de euros menos destináronse a bolsas educativas desde a chegada de Núñez Feixoo á Xunta da Galiza. Segundo se recolle nos anuarios do Ministerio de Educación, as partidas destinadas polo Goberno galego a bolsas e axudas á educación en 2008, último ano do Executivo bipartito, sumaban 35 millóns de euros, porén, esa contía pasaba a 15,4 millóns de euros no curso 2019/2020, marcando unha baixa de 57% nunha década. Malia a complicada situación económica da última década, o Goberno galego continuou reducindo as liñas da axuda para facilitar o acceso á educación aos sectores economicamente máis desfavorecidos. |
NOS_198 | Paula Carballeira, escritora, intérprete e actriz, conversa con 'Nós Diario' sobre 'Facer memoria', un proxecto que desenvolve desde a compañía Berrobambán e que remata nun espectáculo entre o escénico e o experiencial. Carballeira fala da transmisión oral, dos mitos e contos de medo que explican a humanidade e, en definitiva, como ela di, "de dar valor a cousas que, se non se expresan, se perden". | —Facer memoria é un xeito de recuperar a transmisión oral?Está relacionado sobre todo coa memoria dos lugares, é reconstruír a historia dun sitio a través da memoria da xente. Queremos facer ver que se a nosa cultura sobreviviu tantos séculos é porque se lle daba valor a memoria, ao que nós somos. Traballamos co colectivo Mazarelos, que nos elabora unha pequena documentación sobre o lugar escollido. Cando nos poñemos en contacto co Concello, diríxenos a asociacións que dinamizan o lugar e estas fannos de ponte con algunhas persoas que acceden a estar con nós. Así, temos un encontro e en función da documentación que temos voulles sacando pequenas historias ou lembranzas. Facémolo en dúas parroquias. Son tres xornadas de encontros e na última facemos unha pequena experiencia escénica na que resumimos o noso paso polo sitio, as historias que nos contaron e tamén chamamos a xente para que o conte alí. Eu vou fiando con outras historias que xa sei ou que me lembran a outros lugares ou outras lendas. Por iso é peculiar, porque para nós require dun proceso moi diferente ao dunha montaxe teatral ao uso. —É unha forma de que o público tamén estea implicado.Sobre todo despois do confinamento, sentimos a necesidade de mudar a nosa relación co público. Non é só chegar e ofrecer os espectáculos, que tamén está moi ben, senón estabelecer un contacto moito máis directo. É unha cuestión de darlle valor a cousas que se non se expresan, se perden. Quixemos probar este espectáculo experiencial coidando que teña un certo ritmo e tamén o que dicía, botando eu man de contidos, contos e lendas que xa traballei. A dificultade neste tipo de proxectos é que non podes prever moita cousa: ao mellor levas algo preparado da casa e resulta que non lles interesa falar diso e queren outra cousa totalmente distinta. Tamén hai que ter en conta que traballamos con persoas que non teñen unha noción escénica, actuamos moitas veces de moderadoras. —Hai patróns comúns entre as lendas de diferentes concellos?O bonito de que estas historias estean tan vivas na xente é que en todos os lugares comezan con "isto non é un conto, pasou de verdade". E logo contan historias que son comúns en moitas partes, como a da persoa que pasea pola noite diante do cemiterio e queda enganchada a unha silveira ou á cancela. Hai historias que son propias e que teñen que ver tamén coas características do lugar, se é de costa ou de interior, pero tamén hai un acervo común onde as historias se repiten. Ten moito que ver tamén co que tardou en chegar a luz eléctrica a moitos sitios, dos quilómetros que se facían andando e con outro concepto de comunidade e de colectivo, por iso hai moitos contos de aparecidos ou da Santa Compaña. Ademais, cando remate o proxecto queremos deixar constancia disto nun podcast, unha idea que enlaza directamente coa transmisión oral porque permite escoitar as voces das persoas que contan as historias. —Estas lendas teñen moito de terror, igual que a súa obra Dentes de coello, que recibiu o Premio Laudamuco.Sempre me interesou o concepto de medo. Esa concepción do mundo no que hai un diálogo san entre a vida e a morte e na que os medos teñen forma de aparecidos. Non me interesa tanto o susto como iso máis profundo que nos explica quen somos, como é a humanidade. Para min o medo é unha sensación interesante porque nos esperta da comodidade, pero non pode ser paralizante. Temos que loitar contra o que nos impide reaccionar. Dentes de coello é a seguinte obra de Berrobambán, onde se enlazan todos estes proxectos como nunha triloxía sobre a nosa relación coa natureza e o bosque como lugar de perigos. |
PRAZA_18186 | CON VÍDEO Pese a que a Comisión Europea segue reclamando un novo estudo que non se centre só na culpa do maquinista, o actual responsable da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) insiste en non facelo | "Non, non, isto está xa acabado, presentado e liquidado". Esa foi, segundo o máximo responsable da investigación oficial do accidente de Angrois, que culpou só ao maquinista, a resposta que recibiu da daquela ministra de Fomento, a popular Ana Pastor, cando lle comunicou a súa opinión favorable a reabrir esa análise despois de que así o pedise hai máis de dous anos a Unión Europea. Así o asegurou este mércores na comisión de investigación do sinistro no Congreso dos Deputados Vicente Rallo Guinot, presidente daquela da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF). Horas máis tarde, pediu comparecer novamente e negou que dixera o que dixera. Tamén este mércores o seu sucesor, Fernando Montes Ponce de León, volveu rexeitar reabrir a investigación como segue pedindo a Comisión Europea. Pese a que a Comisión Europea segue reclamando un novo estudo que non se centre só na culpa do maquinista, o actual responsable da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) insiste en non facelo En xuño de 2014, once meses despois do accidente do tren Alvia que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos na curva de Angrois, a CIAF fixo pública a súa investigación, na que considerou como única causa do sinistro o despiste que sufriu o seu maquinista, que non freou a tempo sen que houbese activo ningún sistema que evitase o seu previsible erro humano. Por esa carencia de sistemas de seguridade foron imputados nos últimos meses na causa xudicial seis técnicos de Adif, Renfe e Ineco ademais do maquinista. Pero antes diso, a Axencia Ferroviaria Europea fixo público a comezos de xullo de 2016 un duro informe, demorado varios meses polo Goberno español, no que criticou a investigación da CIAF por considerar que se centrara só en analizar o erro humano do maquinista pero non as causas subxacentes que levaron a el, ademais de considerar que o nomeamento daquela dos investigadores polo Ministerio de Fomento facía que a análise non fose independente. "Non, non, isto está xa acabado, presentado e liquidado", di o ex-presidente da CIAF que lle respondeu a ministra cando el lle transmitiu, tras as críticas da UE, que por el "non hai ningún problema" en reabrir a investigación Desde hai máis de dous anos a Comisión Europea vén reclamando a España que realice unha nova investigación independente de Angrois, ao que os sucesivos gobernos veñen respondendo que non está na súa man porque agora a CIAF xa si é independente e os seus membros xa son nomeados polo Congreso e non por Fomento. Pero segundo contou este mércores, a preguntas da deputada de En Marea Alexandra Fernández, o daquela presidente da CIAF, Rallo Guinot, cando foi coñecedor das críticas da Axencia Ferroviaria Europea a súa opinión foi que "ben, que por nós non hai ningún problema" en volver facer outra investigación e mesmo que así llo comunicou "á ministra" Ana Pastor, pero asegurou que a resposta dela foi "non, non, isto está xa acabado, presentado e liquidado" ["acabao, presentao y liquidao", foi a súa expresión en castelán]. Malia que Rallo Guinot insistiu en asegurar que actuou sempre con independencia, a CIAF finalmente non decidiu reabrir a investigación nin realizar outra no máis dun ano que transcorreu desde que a axencia europea comunicou a súa opinión a España a comezos de 2016 ata que el deixou o cargo a comezos de 2017. Horas despois da súa afirmación o xefe dos investigadores volveu polo Congreso para asegurar que non dixera o que dixera Tras esas palabras de Rallo Guinot, o PP e a contorna de Ana Pastor mobilizáronse para desmentilo, salientando que mentir nunha comisión de investigación é delito. A CIAF emitiu un comunicado indicando que o seu ex-presidente "nega categoricamente" que na súa comparecencia "teña manifestado que a daquela ministra, Ana Pastor, lle dera instrucións sobre non continuar a investigación", negando así que dixera o que si dixera. E o propio Rallo Guinot volveu aparecer pola tarde no Congreso, horas despois da súa primeira intervención matutina, para pedir intervir novamente na comisión e corrixirse a si mesmo sobre esa cuestión. Formacións como En Marea e BNG, así como a plataforma de vítimas do accidente, criticaron o que consideraron presións de Pastor para facer rectificar a Rallo Guinot. Comunicado emitido pola CIAF Por outra banda, na súa primeira comparecencia Rallo Guinot non aclarou, cando se lle preguntou por esa cuestión, por que a CIAF obviou na súa investigación que os riscos da curva de Angrois non foran analizados por unha entidade independente, pero admitiu certa presa por rematar o seu informe en menos dun ano tras o accidente e que iso puido provocar erros nalgún "detalle". O ex-presidente da CIAF reiterou que ao seu ver con Renfe e Adif unidas, como estaban antes de 2005, o accidente "non tería pasado xamais" E como xa fixo no seu momento cando compareceu en 2014 na subcomisión de mellora do sistema ferroviario creada tamén no Congreso tras o sinistro, Rallo insistiu no prexudicial para a seguridade ferroviaria que ao seu xuízo foi a separación en 2005, a petición da UE, de Renfe e Adif como empresas públicas ás que se encargou por separado a xestión dos trens e as vías repectivamente. Con Renfe e Adif aínda unidas, considera Rallo, o accidente de Angrois "non tería pasado xamais" xa que os responsables de seguridade dos trens terían mellor comunicación cos encargados de sinalizar as vías. O actual presidente da CIAF insiste en que "non ten obxecto facer unha nova investigación", o que vén provocando "frustración" con España da comisaria europea de Transporte, segundo ela mesma lles transmitiu ás vítimas Tras Rallo Guinot compareceu no Congreso o seu sucesor desde comezos de 2017 e actual presidente da CIAF, Fernando Montes Ponce de León, quen insistiu, entre críticas á axencia europea, en que "non ten obxecto facer unha nova investigación". Esa negativa, agora que a CIAF é nomeada polo Congreso e non por Fomento, é o argumento que vén esgrimindo o Goberno para explicar a súa incapacidade de darlle a orde de reabrir a investigación, o que á súa vez vén provocando a "frustración" con España da comisaria europea de Transporte, Violeta Bulc, segundo ela mesma lles transmitiu ás vítimas do sinistro hai uns meses. Fernando Montes Ponce de León, actual presidente de la Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) |
NOS_42102 | O Parlamento galego reclama negociar na Mesa Estatal de Educación unha solución para o profesorado técnico de Formación Profesional. | Toda a Cámara galega reclamou ao Goberno español a necesidade de negociar, na Mesa Estatal de Educación, unha solución para o profesorado técnico de Formación Profesional (FP) afectado polas previsións incluídas na nova lei educativa estatal, a Lomloe. Onde non houbo unanimidade, por parte do PSdeG, que votou en contra, foi no punto da moción que pide o rexeitamento do recollido na Lomloe en relación ao profesorado técnico de FP. O deputado do PP Ovidio Rodeiro, na comisión de Ensino e Cultura da Cámara, explicou que a nova lei "deixa nun corpo para extinguir" a case 65% do profesorado técnico de FP, "anulando toda a súa carreira profesional". Ademais, advertiu de que só 36% dese cadro de persoal reúne os requisitos precisos para acceder ao corpo de secundaria de acordo coa nova normativa. Nesa liña, o deputado lamentou que a nova normativa "non integre" os profesionais técnicos de FP que son licenciados no corpo de secundaria, ao que "tampouco poderán acceder" os docentes técnicos que conten con diplomaturas universitarias nin os que obteñan o título de grao tras xaneiro de 2021. Pola súa banda, o deputado do BNG Manuel Lourenzo criticou que o PP vetase unha emenda da formación nacionalista que reclamaba a equiparación salarial das e dos docentes técnicos de ciclos formativos. Tamén na comisión os populares rexeitaron dúas iniciativas presentadas pola oposición. Nunha delas, o BNG buscaba instar a Xunta a tomar en consideración a necesidade de ampliar a formación académica en gaita de fol en estudos musicais, comprometéndose cunha maior oferta formativa nos conservatorios dependentes da Administración galega. Tamén pedía a inclusión do grao superior de Instrumentos da Música Tradicional e Popular no Conservatorio Superior da Coruña e a creación de estudos musicais de posgrao en universidades galegas ou en conservatorios superiores que dean acceso a programas de doutoramento. Na outra proposición denegada, o PSdeG reclamaba que a Xunta asumise os centros de ensino Puga Ramón e mais o Calvo Sotelo da Coruña e os integrase na rede de centros públicos da Galiza. Ademais, demandaba a constitución inmediata dunha mesa de negociación para determinar as condicións do traspaso destes centros. |
NOS_55288 | O 1 de setembro cúmprese o 10º aniversario da aprobación do PXNL. | Prolingua fai un chamamento a conmemorar o vindeiro 21 de setembro o décimo aniversario da aprobación por unanimidade no Parlamento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Queren desde a plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega que a conmemoración sexa con "sentido crítico e reivindicativo" xa que, ao seu ver nestes dez anos non se aproveitaron as súas potencialidades e o galego segue a recuar. Pola súa banda, a Mesa pola Normalización Lingüística presentará nos próximos días unha análise dos incumprimentos do plan a través das denuncias presentadas en cada unha das súas áreas e recibidas por parte da asociación de defensa da lingua. Aproveitarán tamén a data para reclamar das institucións, nomeadamente da Xunta, o cumprimento do Plan. Prolingua valora que, logo de iniciativas "positivas e esperanzadoras do 2009", o goberno do PP supuxo "retrocesos lexislativos e desmantelamento do o galego en ámbitos como o educativo e o administrativos", o que levan ao noso idioma a unha "situación de emerxencia". "O goberno debe asumir o plan que todos os grupos políticos, incluído o PP, aprobaron no Parlamento hai dez anos e adoptar as medidas axeitadas para a plena normalización do galego", sinalan. |
PRAZA_12553 | O Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2012 contempla un recorte do 15,7 por cento nos fondos a empregar na política de Servizos Sociais e Promoción Social, que quedan en 2.119,04 millóns de euros, fundamentalmente polas reducións das partidas destinadas a Inmigración (-54,8%), Familia e Infancia (-42,6%), Maiores (-38,6%), Emigrantes (-23,1%) e violencia de xénero (-21,3%), entre outras. Unha crónica de Cadernos de Comunicación e Análise. | O Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2012 contempla un recorte do 15,7 por cento nos fondos a empregar na política de Servizos Sociais e Promoción Social, que quedan en 2.119,04 millóns de euros, fundamentalmente polas reducións das partidas destinadas a Inmigración (-54,8%), Familia e Infancia (-42,6%), Maiores (-38,6%), Emigrantes (-23,1%) e violencia de xénero (-21,3%), entre outras. Segundo o proxecto presentado polo Executivo no Congreso dos Deputados, estes fondos xestiónanse en tres bloques: Promoción Social, Xestión de Servizos Sociais e Acción Social, que recibirá a maior partida, 2.010,19 millóns de euros, porque engloba os servizos sociais para a terceira idade, discapacitados, migrantes, drogadicción, infancia e familia. Así mesmo, abarca a xestión dos Servizos Sociais e do Sistema de Autonomía Persoal e Atención á Dependencia (SAAD), que absorberá 1.326,04 millóns de euros, o que supón unha redución do 5,7 por cento respecto do ano pasado. O groso deste recorte pesa sobre o nivel acordado de financiamento, xa que o Goberno suprimiu os 283 millóns de euros que achegou o ano pasado ás comunidades autónomas. Na súa comparecencia, a secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, Marta Fernández Currás, afirmou que se suprime o nivel convido de dependencia –a achega do Estado ás CC.AA. para aumentar os recursos dispoñibles–, pero se "aumenta o nivel mínimo garantido", –o diñeiro que achega a Administración Xeral por cada beneficiario e que as comunidades autónomas deben igualar–, que crece un 18,64%, ata os 1.287,18 millóns de euros. Así, segundo dixo, "o Estado comprométese coa Lei de Dependencia na parte que resulta obrigatoria", a achega do cincuenta por cento do custo do SAAD e "o dereito subxectivo á dependencia non se modifica". Aos 1.306 millóns de euros previstos para a Dependencia, súmanse unha serie de créditos que se dotaron para gastos de funcionamento e operacións de capital asociada á atención á dependencia, polo que o SAAD alcanzaría un orzamento de 1.407 millóns de euros, o que segue estando por baixo do establecido en 2011, cando foron 1.498,44 millóns de euros, un 6,1% máis. Nesta partida inclúense 33,51 millóns de euros para as cotas da Seguridade Social dos coidadores non profesionais e cinco millóns para un Fondo de Apoio para a promoción e desenvolvemento de infraestruturas para a dependencia, así como o orzamento das prestacións derivadas da Lei de Integración de persoas con discapacidade (LISMI), que perde un 19,3 por cento respecto do ano pasado e queda con 35,78 millóns de euros. O bloque de Acción Social abarca tamén, o programa de envellecemento activo do IMSERSO, dotado con 124,34 millóns de euros; o de prestacións económicas e de accesibilidade universal para persoas con discapacidade (74,55 millóns) e a rede básica de servizos sociais (centros de servizos sociais, albergues e centros de acollida), que suma 49,29 millóns. Así mesmo, recolle as iniciativas de atención á infancia e ás familias, que contan con 5,36 millóns, un 42,6% menos que en 2001. FORTES RECORTES PARA OS EMIGRANTES E A INMIGRACIÓN No orzamento de Acción Social inclúense os 89,7 millóns para o programa de accións en favor dos emigrantes e españois retornados, cun crédito de 70,62 millóns de euros para as prestacións por razón de necesidade e 9,35 millóns de euros para as pensións dos Nenos da Guerra. En total, estas partidas reducíronse un 23,1 por cento respecto do ano pasado. En canto aos inmigrantes, suspéndese, o Fondo para a Acollida, Integración e Reforzo Educativo dos Inmigrantes, que chegou a contar con 200 millóns de euros de orzamento e que tras quedar reducido a 67 millóns en 2011 perde agora toda a súa dotación. Con todo, destinaranse 66,85 millóns de euros a Accións en favor dos inmigrantes, que inclúe convenios con Ceuta e Melilla por valor de 3,11 millóns para a atención de menores estranxeiros, e unha partida xeral para menores inmigrantes non acompañados de 1,8 millóns de euros. En xeral, estas partidas perden un 54,8 por cento do orzamento. Así mesmo, abarca 32,75 millóns en axudas e subvencións a entidades sociais que traballan coa migración, cunha partida específica de 6,16 millóns para atención humanitaria e de 2,18 millóns para a atención a pé de praia que presta a Cruz Vermella, xunto a 1 millón para ordenación de fluxos migratorios laborais e inserción sociolaboral. Consulta toda a actualidade da Galicia exterior en Cadernos de Comunicación e Análise |
NOS_48882 | O presidente do Goberno español sofre un lápsus e agradece ao "Goberno cubano do Perú" as súas contribucións, nun acto co presidente do país, Ollanta Humala. | Non era a primeira vez que o presidente do executivo español sufría un incidente deste tipo. Mariano Rajoy ten recollido máis sona nas redes sociais polas súas trabucacións que pola súa xestión de Goberno. O acontecido a pasada quinta feira na súa visita ao Perú --onde se reuniu co presidente Ollanda Humala-- Rajoy agradeceu --por vez primeira na historia-- as contribucións do "Goberno cubano" -- o seu protagonismo e aportacións-- na pasada Cumbre Iberoamericana. Porén, non estaba na illa caribeña senón no centro de América Latina acompañado polo líder do executivo peruano. O presidente español. que non emendou o seu erro, continuou amosándose agradecido a Humala, quen procurou manter a calma que exixe o protocolo nestes actos. "Non entendo a miña letra" Mariano Rajoy ten sacado máis dun sorriso nos últimos anos e non pola súa graza persoal nin tampouco por que a cidadania o considere un grande gobernante, senón máis ben pola hemeroteca. O presidente español, tivo máis dun lápsus que deixou ver quen é en realidade. Neste senso, xa en 2011 o daquela candidato á Presidencia, participaba no programa que Pedro J. Ramírez ten en Veo Televisión. O líder d@s populares sometíase as amábeis preguntas dun público pouco ou nada crítico cando unha estudante universitaria lle preguntou como poría fin ao desemprego. Rajoy, dubitativo, vivía un dos maiores lápsus até o momento e aseguraba ter sufrido unha "cousa bastante notábel" e é que o actual presidente do Estado español non entendía a súa propia letra. Malia a man que lle tendeu o director de El Mundo, Rajoy foi incapaz de responder a unha pregunta que aínda hoxe moit@s se fan. "Que medidas ten vostede para acabar co paro". |
NOS_24798 | Co Himno Dorneiro, Falperrys abren tamén o período de procura de micromecenado para o seu novo traballo. | A única gravación de Falperrys data xa de 2011. Aquel EP de sete aguerridas cancións de punk celta abriu paso un prolongado período de silencio discográfico. Agora a banda viguesa anuncia o rexistro dun disco longo, en formato cedé e vinilo, coa publicación dun vídeo da canción Himno Dorneiro. A peza, con letra orixinal de Santi Páramo e música dos Diplomáticos de Monte Alto, foi rodada a bordo da dorna xeiteira Nova Marina no mar de Arousa. Co Himno Dorneiro, Falperrys abren tamén o período de procura de micromecenado para entrar en estudio e materializar "12 novas especies, para completar o quiñón cun bo puñado máis en formato acústico". |
NOS_2182 | A poboación galega está chamada esta terza feira a participar en trece mobilizacións en apoio ás mesmas reivindicacións que conduciron ao persoal da sanidade pública a dous días de folga contra a privatización e o deterioro dos servizos. Os sindicatos convocantes CIG, CCOO, CESM e O´Mega estimaron no 80% o seguimento da folga. | Segundo día de folga e esta terza feira a cidadanía está convocada a se sumar ás reivindicacións do persoal da sanidade pública contra a privatización con mobilizacións convocadas por todo o país. A folga contou co apoio da Plataforma SOS Sanidade Pública que fai agora un chamamento a toda a poboación para apoiar a protesta contra os recortes, os copagos e a privatización da sanidade pública. "Chegou o momento de articular unha grande alianza entre poboación e traballadores/as da sanidade en defensa dunha sanidade pública de calidade e por recuperar o dereito a unha sanidade pública universal accesible e de calidade", sinalan desde SOS Sanidade Pública, plataforma que denuncia a desmantelización e privatización dos servizos sanitarios públicos e o reparto de parcelas de interese económico entre "grupos empresariais afíns, aseguradoras, multinacionais, fondos de investimento, bancos e construtoras". "Se os/as afectados/as, que somos a maioría social e profesional, non reaccionamos de xeito urxente, deica pouco o desmantelamento e privatización da sanidade pública será irreversible, xa que a Xunta transformaría os centros sanitarios en empresas privadas, recortando o persoal, e obrigándonos a pagar pola asistencia sanitaria", destacan no comunicado no que convidan á participación social nas trece mobilizacións convocadas esta terza feira en cidades e vilas, nas poboacións que teñen hospital, maiormente ás 20: horas, agás en Cee que serás ás 12:00, ao Salnés que será ás 14:00, Ferrol ás 18:00 horas e Burela ás 20:30 horas. Os sindicatos convocantes valoraron o resultado da folga na súa primeira xornada como "moi satisfactorio" e cifraron o seguimento por riba do 80%. CIG. A Consellaría contabilizou un 21,85% de seguimento ao non contabilizaren en servizos mínimos, en todo caso cifras superiores a anteriores greves. As cifras de seguimento ofrecidas polas centrais convocantes sería do 75% en Ourense (a consellaría só recoñece un 15,28%), o 85% en Pontevedra incluíndo O Salnés e a mesma cifra para A Coruña (a consellaría só recoñece un 25,64% e un 29,6% respectivamente), o 70% en Ferrol (a consellaría só recoñece un 36,66%), o 85% en Vigo (a consellaría só recoñece un 30,12%) e por volta do 60% en Lugo e en Compostela (a consellaría só recoñece un 12,64% e un 11,9% respectivamente). CCOO, CESM e O´Mega animaron tamén á poboación a se sumaren hoxe ás mobilizacións de todo o país para mostrar a forte oposición á política privatizadora do PP. Mobilizacións convocadas para a terza feira 10 Cee: 12h concentración diante da porta principal do Hospital Salnés: 14h concentración diante da porta principal do Hospital Ferrol: 18h con saída da Praza de España O Barco: 20h con saída do hospital comarcal Conde de Fenosa Ourense: 20h con saída do Pavillón dos Remedios Vigo: 20h con saída do Hospital Xeral Lugo: 20h con saída do edificio multiusos da Xunta de Galiza Pontevedra: 20h con saída da porta principal do Hospital Provincial Santiago: 20h con saída da Praza Vermella A Coruña: 20h con saída da Casa do Mar Barbanza: 20h con saída do centro de saúde de Ribeira Monforte: 20h concentración na Praza de España Burela: 20.30h con saída do Hospital da Costa |
NOS_7180 | "Caos organizativo" e "deixadez" na toma de medidas preventivas fronte ao coronavirus nos centros dependentes de Política Social. Isto é o que denunciou a CIG perante a Inspección de Traballo no día en que Feixoo informou de que o Goberno galego pasa a tutelar as residencias de maiores que están en mans privadas. | A CIG-Administración Autonómica vén de denunciar á Consellaría de Política Social perante o Xefe Territorial da Inspección de Traballo pola súa xestión nas residencias de maiores, centros de menores (residenciais) e centros de atención a persoas discapacitadas polo "caos organizativo e a deixadez na toma de medidas de prevencion perante a COVID-19". A responsábel da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, explica, "levamos moitos días denunciando a situación nos centros sociais da Xunta e tememos pola saúde das residentes e traballadoras porque aquí non se fai cargo ninguén e a situación xa é desesperante". De aí que o sindicato solicitase da autoridade laboral medidas cautelares de inmediato, entre elas, facer a proba de detección do coronavirus "a todo o persoal urxentemente". O sindicato advirte da situación de "caos" que se dá nos centros e denuncia a "situación desesperada na que se atopa o persoal ante a falta informacion". "Ninguén fai nada, máis alá de pelexar polo tema das máscaras", alerta Burgos. Entre outras actuacións, a CIG propón adecuar algún espazo hostaleiro para que as traballadoras e traballadores poidan descansar e evitar o contaxio. Asegura que, a nivel xeral, "nestes centros non se están a tomar as medidas de prevención de riscos laborais necesarias para protexer o persoal nin as persoas usuarias a pesar de que foi requirido especificamente en varias ocasións desde o comezo da alarma sanitaria". "A Xunta non fixo caso" "A Xunta non fixo caso, non tivo a dilixencia necesaria na protección ou simplemente non actuou". En relación ao risco de infección, Burgos asegura que "non se dotou ao persoal do equipamento de protección individual necesario, nin se lle formou previamente de como debería empregarse ou das medidas hixiénicas a adoptar". Con respecto ao material para casos confirmados ou sospeitosos estabelecidos polo protocolo de sanidade, que son luvas de nitrilo, máscaras FFP2 e FFP3, batas desbotábeis impermeábeis de manga longa e gafas de protección, "as existencias nos distintos centros son escasas, non hai, ou son moi deficientes, ou non están a disposicion do persoal". Após presentar a CIG a denuncia perante a Inspección de Traballo e despois das reiteradas denuncias de familiares, das que se fixo eco Nós Diario nos últimos números a raíz dos contaxios que tiveron lugar en centros de maiores, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ofreceu unha rolda de prensa na tarde de onte para anunciar, entre outras medidas, que se concentrarán en dúas residencias integradas usuarias e usuarios de residencias da terceira idade que dean positivo en coronavirus "para que poidan ser tratados de maneira máis medicalizada". Os centros de referencia para infectadas serán o da Fundación San Rosendo en Baños de Molgas, instalacións que non foran estreadas, e a residencia Porta de Camiño de Compostela, cuxos actuais inquilinos serán trasladados ao Hotel Congreso de Teo. As residencias privadas, tuteladas pola Xunta Ademais, Feixoo anunciou que desde onte "todas as residencias de maiores ou de internamento de persoas con discapacidade pasan a ser tuteladas, baixo o seguimento das autoridades sanitarias". Os xestores privados, segundo informou Núñez Feixoo, serán responsábeis do mantemento, da organización e do protocolo exixido nestes momentos. A meirande parte das prazas de residencia que hai na Galiza son privadas, representan o 77%. En rolda de prensa, o presidente da Xunta sinalou que das máis de 22.000 persoas que viven en residencias de maiores, 57 "deron positivo", casos que se produciron, segundo informou, en 8 dos 223 centros que hai ao longo da Galiza. Pola súa banda, o Goberno español anunciou no día de onte a creación dun grupo especial de seguimento sobre a situación das residencias despois de que o Exército detectase persoas falecidas convivindo con residentes de varios centros. |
PRAZA_21079 | A Autoridade Portuaria decide abrir progresivamente á cidadanía parte dos peiraos interiores tras rexeitalo durante anos mentres afronta o debate sobre os terreos que quedarán liberados, máis de 45 hectáreas. | A Autoridade Portuaria, agora presidida por Fernández Prado, dá o visto e prace a un proxecto rexeitado durante tempo polo anterior presidente. "Trátase dunha apertura gradual con sentido", subliña a alcaldesaA apertura progresiva á veciñanza dos peiraos sen actividade na Coruña iniciarase nas vindeiras semanas logo de anos de bloqueo. A terminal de Transatlánticos será a primeira en abrir aproveitando os días no que non haxa escala de cruceiros e a escasa actividade pola pandemia, cuxas limitacións determinarán tamén a data exacta. A Autoridade Portuaria, agora presidida por Martín Fernández Prado, dá o visto e prace a un proxecto rexeitado durante tempo polo anterior presidente, Enrique Losada, que negou esta posibilidade, alegando cuestións de seguridade ante as continuas peticións do anterior goberno local da Marea Atlántica. "Non se trata de abrir a porta, senón dunha apertura gradual con sentido", afirmara a alcaldesa da cidade, Inés Rey, que prevé así "permitir o tránsito de vehículos de transporte colectivo (urbano, interurbano e turístico)" e mellorar a mobilidade, entre outros proxectos deportivos e recreativos. "Temos reclamado en moitas ocasións que se abra o valado, pero sempre se dixera que era algo imposible; o tempo demostrou que só era cuestión de vontade política", di María García, voceira da Marea e presidenta da Comisión Especial do Bordo LitoralDesde o Porto puxéronse xa en contacto coa Delegación do Goberno, a Policia e a Garda Civil para garantir a seguridade. Primeiro será o peirao de Transatlánticos, onde se prevén actividades culturais, deportivas e recreativas, mentres que cara ao verán prevese abrir o de Batería. Para o vindeiro ano quedará o de Calvo Sotelo.Con este xesto, a Autoridade Portuaria di pretender que a veciñanza "poida recuperar a proximidade co mar e a paisaxe portuaria que forma parte da identidade da Coruña", ademais de dar a coñecer a actividade do porto. A apertura dos peiraos de Transatlánticos e Batería "é só o primeiro paso para a integración definitiva na cidade dunha das súas principais fachadas marítimas", di Fernández Prado, que ve neste proceso "unha etapa de transición previa á redefinición da integración da trama urbana dos terreos que serán liberados tras o traslado da actividade ao Porto Exterior". O futuro dos terreos do Porto, que debe 300 millóns froito das obras de Punta Lagosteira, mantense no debate sen albiscar aínda soluciónVelaí a nai do año. O futuro duns terreos nun Porto que debe 300 millóns de euros froito das obras de Punta Lagosteira e cuxo maior acredor é o Estado, que continúa sen aceptar unha condonación da débeda --como ocorreu na Comunitat Valenciana-- malia o rexeitamento maioritario á idea inicial pactada para pagala: vender os peiraos interiores para a construción de vivendas. A posibilidade segue existindo mentres non se revisen os convenios asinados en 2004 polas administracións pero que non teñen xa quen os reivindique. Polo menos na súa literalidade e previsión de milleiros de pisos. "Este xesto simbólico non pode servir como coartada para secuestrar o debate sobre o que se pretende facer nos peiraos de San Diego nin sobre a situación financeira da Autoridade Portuaria", insiste María García, que considera "necesario reclamar unha condonación como a que se produce en Valencia, en lugar de vender terreos para facer vivendas".O Porto pretende coordinar mediante un ente público de xestión a transformación dos peiraos do centro da cidadeO propio Feijóo, nunha reunión con Martínez Prado este luns, insitiu na posibilidade de revisar eses convenios de hai máis de 16 anos pero advertiu da necesidade de que se licite antes de xuño o tren a Lagosteira, condición sen a que non é posible o traslado da actividade ao Porto Exterior. Fíxoo tras unha xuntanza na que a Autoridade Portuaria anunciou que pretende coordinar mediante un ente público de xestión a transformación dos peiraos do centro da cidade, un organismo que define como "axente urbanizador" tras situar finais de 2022 como o horizonte para reurbanizar estes peiraos, primeiro Batería e Calvo Sotelo e logo, "cunha reflexión máis lenta", San Diego. O vindeiro 23 de febreiro, a alcaldesa Inés Rey ten prevista unha reunión coas seis institucións públicas implicadas para intentar desbloquear tamén o financiamento da débeda do Porto e a obra do enlace ferroviario. Aquela previsión de 2004, dacabalo do boom inmobiliario, quedou nun proxecto agora irrealizable, polo menos na súa totalidade, pero o debate entre a privatización dunha parte dos peiraos ou a total titularidade pública dos terreos segue viva. Os terreos a liberar no porto supoñen máis de 46 hectáreas no centro da CoruñaA rexedora socialista anuncia tamén un proceso participativo co que implicar a cidadanía nas ideas para uns terreos que suman máis de 88.000 metros cadrados en Batería e Calvo Sotelo, pero perto de 380.000 en San Diego, espazo onde poñen os ollos as opcións inmobiliarias. En total, son máis de 46 hectáreas a desafectar nunha urbe de elevada densidade de poboación e evidente falta de zonas verdes. Os terreos do porto que quedarán liberados equivalen ao 1,25% do total da superficie total do termo municipal coruñés, de menos de 37 quilómetros cadrados. Segundo asegurou Rey, con este proceso de participación cidadá búscase o obxectivo de "construírmos conxuntamente o futuro da Coruña". "Temos que contar con todas as opinións", dixo a alcaldesa, que advirte de que a tarefa non atinxirá exclusivamente o persoal técnico e experto urbanista, senón tamén "ás distintas entidades e colexios profesionais e mais as asociacións veciñais e particulares que así o consideren"."Utilizar a transformación portuaria para a obtención de plusvalías urbanísticas, non pode ser unha solución", asegura a Marea AtlánticaO último avance, logo do concurso de ideas Tecendo Litoral impulsado polo anterior goberno local, foi o informe encargado á Universidade da Coruña (UDC) que agora se fará público por parte do Concello. Pasa moi por riba da actividade produtiva dos peiraos e deixa a porta aberta, aínda que en menor medida, a un desenvolvemento urbanístico nunha cidade, destacan fontes do pleno municipal, onde proxectos como o Ofimático ou Someso, ademais doutros previstos e polémicos, están pendentes aínda de seren completados. "Utilizar a transformación portuaria para a obtención de plusvalías urbanísticas, non pode ser unha solución", di a Marea Atlántica, que insiste en reclamar a "titularidade pública dos terreos e o reforzo dos usos produtivos que xa existen" no porto logo do, reivindican, "amplo consenso sobre estas cuestións acadado no pasado mandato". María García, portavoz da Marea, espera, ademais, que o anuncio de apertura progresiva dos peiraos "non sexa unha manobra para despistar". "Condonar a débeda é a clave para que, cando se traslade parte da actividade portuaria a Punta Lagosteira, o porto siga a ser espazo público". Segundo advirte, haberá quen "queira empregar os 300 millóns de débeda como escusa para vender terreos e construír pisos en primeira liña de costa". "Non se pode consentir. Condonar a débeda tamén é cuestión de vontade política: se pode facerse en Valencia, pode facerse na Coruña", di García. Na Comunitat, o Estado fíxose cargo dos 350 millóns de débeda tras a adaptación do Porto á Copa América, pero o Goberno central xustifica esa medida en que alí as obras foron executadas por un consorcio, mentres que no Porto Exterior correron a cargo da Autoridade Portuaria. Sobre os rumores que ven na presidencia de Martínez Prado a instancias de Feijóo unha estratexia na política municipal a medio prazo, García cre que se ambos cumpren no porto "o que tantas veces pediu o pleno, será positivo para a cidade da Coruña". "Só podemos agardar que fagan as cousas pensando no ben da cidade e non en lanzar a carreira política de ningúen, pero tratándose do PP, pode ser moito agardar", advirte. |
NOS_50689 | O colectivo apoia os paros promovidos en primeira instancia polos taxistas de Barcelona. Representantes do sector reúnense en Madrid co Ministerio de Fomento para abordar o problema da expedición de licenzas aos vehículos con conductor | O colectivo galego de taxistas convocou unha greve que se estenderá desde o mediodía desta segunda feira até as 00 horas da cuarta feira. As distintas asociacións que representan o sector na Galiza toman esta decisión de sumarse aos paros de forma unánime. O motivo da greve, que foi secundada en varias cidades do Estado español, está ligado co fenómeno das licenzas VTC. Segundo a lei, a expedición destes permisos —utilizados polos servizos de Uber e Cabify— é reducida a un por cada 30 taxis. Actualmente, as licenzas están a ultrapasar amplamente este límite, incumprindo a lexislación vixente. A raíz disto, varios representantes do sector están a manter estes días reunións co Ministerio de Fomento en Madrid para demandar ao goberno que garanta a aplicación da normativa. |
NOS_13711 | Os vindeiros días 27 e 28 de maio Pontevedra acollerá o I Congreso Internacional de Creatividade e Universidade, organizado polo profesorado das universidades de Vigo e do Minho. Co lema "Pensar creando, crear pensando", a proposta, que contará coa posibilidade de ter un carácter presencial, vai máis alá dos estudos de publicidade e presenta unha fórmula válida para resolver problemas. Nós Diario fala coa responsábel de coordinar este evento, a profesora Montse Vázquez da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. | Que motivou que se tratara a creatividade publicitaria nun congreso aberto? O profesorado de creatividade e publicidade a nivel estatal comezamos a reunirnos con xuntanzas bianuais hai xa 20 anos. Nesta ocasión decidimos abrir a participación dándolle o formato de congreso. A idea é unificar a creatividade coa educación e preguntarnos se somos capaces de aprendelo e como ensinalo. Partimos da idea de que a creatividade é unha capacidade que temos todos os seres humanos para resolver problemas. A medida que crecemos, esquecemos esas capacidades que temos. Nas nosas aulas universitarias tentamos volver reactivar, a través de exercicios e de propostas que poden ser publicitarias ou non, esas habilidades e esas capacidades que ten o noso alumnado. A aprendizaxe sempre é de dobre vía, posto que aprende o alumnado e aprendemos nós tamén. Nos últimos anos apareceron novas ferramentas e cústanos, ás veces, conectar nas aulas. Cales son esas ferramentas que se empregan na creatividade publicitaria? A tecnoloxía tivo avances importantes nos últimos anos. Mais eu sigo pensando, como outras e outros docentes, que o noso cerebro é a materia máis importante, o proceso de pensar. Como dicía o catedrático da Universitat Autònoma de Barcelona, José María Ricarte, "a creatividade é pensar" e pensar é pór en funcionamento as nosas neuronas e, a partir de aí, virían as ferramentas, como, por exemplo, as redes sociais, que facilitarían outro tipo de accións ou de actividades. Mais se ti non sabes o que queres contar e non traballas todas as informacións que tes a creatividade desaparecería. Como traballa o profesorado a creatividade publicitaria? O profesorado de creatividade publicitaria tratamos as mensaxes publicitarias, as técnicas creativas e as estratexias que se seguen. Mais son capacidades que serven para todo tipo de situacións que poden xurdir na nosa vida cotiá e son importantes en calquera nivel educativo, desde infantil até o universitario. É necesario potencialas en todo o alumnado e en nós mesmas como docentes, e moito máis nestes tempos actuais que vivimos. Podemos falar, a nivel galego, dunha creatividade publicitaria propia? Creo que si. Goza de boa saúde aquí na Galiza. Naceron algunhas axencias e outras consolidáronse. O problema é o de sempre, semella que teñen que vir a recoñecernos desde fóra ou que pensamos que o noso traballo non é tan bo. Pola nosa parte, creo que temos un alumnado moi bo, capaz de resolver moitos problemas moito mellor do que elas e eles pensan, mais decátanse cando saen da universidade. E refírome non só aos de publicidade senón a todas as titulacións que temos na Galiza. Nas campañas publicitarias públicas hai unha maior responsabilidade? Existe unha responsabilidade por parte das institucións de manter unha serie de valores e tratar unha serie de temas. É unha cuestión moi interesante e en determinadas ocasións podería proporse se deberían ter algún tipo de responsabilidade máis. Non sei de que modo, pero deberiamos exixirlles máis sobre as mensaxes finais e as relacións que xorden nas informacións. É unha responsabilidade diferente á dos anunciantes tradicionais por falar de entidades públicas que están dirixidas por persoas que todas e todos nós eliximos. |
NOS_313 | Roi Cagiao rememora o asasinato de Amador Rey e Daniel Niebla. | O Teatro Jofre, en Ferrol, acolle este sábado a preestrea do documental 10 de marzo, unha peza audiovisual dirixida polo cineasta Roi Cagiao, da man da produtora Arthur Gordon. A longametraxe reconstrúe os sucesos acontecidos naquela data en Ferrol. [VÍDEO] Remata a rodaxe do filme '10 de marzo' Durante unha manifestación do persoal da Empresa Nacional Bazán -hoxe Navantia-, a Policía Armada franquista exerceu unha dura represión, que se saldou con case un cento de traballadores e traballadoras feridas, así como co asasinato a tiros de Amador Rey e Daniel Niebla. Catro anos de traballo En conversa con Nós Diario, Roi Cagiao recoñece que foron catro anos de "moito traballo". "Foi un proceso longo, que comezou coa documentación e seguiu coa guionización do documental", detalla o director de 10 de marzo. De todo o material que conseguir recompilar, o cineasta destaca o "inmenso" arquivo audiovisual que Navantia facilitou. Precisamente, a compañía é unha das patrocinadoras do documental, xunto co Concello de Ferrol e o Sindicato Nacional de CCOO Galiza. Roi Cagiao prepara un filme sobre Ferrol 1972 Todo o material facilitado por Navantia, moito do cal é inédito, serviulle ao equipo de rodaxe para coñecer como era o día a día nas factorías ferrolás. Despois desta primeira fase, chegou a quenda de entrevistar as testemuñas aínda vivas dos feitos ocorridos en Ferrol hai 50 anos, moitas delas participantes na manifestación. "Falamos con todos eles hai tres anos; mesmo dous xa faleceron", explica Roi Cagiao a Nós Diario. Roi Cagiao: "A nosa idea inicial deste proxecto era realizar un documental sobre o ano 1972 na Galiza" Entre os entrevistados e entrevistadas destacan nomes protagonistas da loita antifranquista na Galiza como Rafael Pillado, Sari Alabau, Suso Díaz ou Fernando Miramontes -este último finado o pasado ano-. "Satisfeito" co resultado Horas antes de que o documental vexa a luz, o seu director móstrase "moi satisfeito" co resultado obtido. Cagiao, que xa dirixira a peza documental Vigo 1972, salienta que 10 de marzo non se trata dunha segunda parte, senón que ambas as dúas forman unha "obra completa". Cando o movemento obreiro conquistou a democracia Ferrol será a primeira das paradas do documental antes de chegar aos cines do país o vindeiro 25 de novembro. Antes, 10 de marzo pasará por Santiago de Compostela, ao abeiro do festival audiovisual Cineuropa. "Con este traballo queremos chegar a maior número de persoas, e non só a cinéfilos ou interesados e interesadas na historia sindicalista do país", afirma o director, que espera que a peza teña un éxito "semellante" ao de Vigo 1972. |
NOS_43329 | Cae en casa fronte ao Valencia (1-2) e encaixa a cuarta derrota consecutiva. Apupos en Balaídos. | Iniciar a tempada aspirando a postos europeos e verse hoxe cun pé nos de descenso (se o Rayo derrota este domingo a Real Sociedad) pon a proba o Celta como equipo, como club e como afección. Mentalizarse para combater na outra Liga, na que se xoga pola zona baixa da táboa, non é doado mais non queda outra, polo menos polo de agora. O Celta encaixou este sábado contra o Valencia a súa cuarta derrota consecutiva. Unha derrota que doe máis por ser unha remontada valencianista e ter lugar en Balaídos. O Celta, cunha artillería arriba das de meter respecto, mesmo coa ausencia de Iago Aspas, ten unha defensa de manteiga. Contra o Valencia volveu rinchar esa liña do equipo. O mesmo Celta que supera en goles marcados no que vai de tempada a equipas como Real Madrid ou Atlético non sabe defender. O partido comezou cun toma e daca entre galegos e valenciáns. Probándose e tanteándose. Xogaba Roncaglia por primeira vez con Cardoso, un adestrador que sentou Fran Beltrán e apostou en tres medios centros detrás de Maxi. A medida que avanzaba a primeria parte o Celta ía achegándose cada vez máis á área valencianista. Os 'chés', pola súa banda, non perdían a posición e ameazaban a portería celeste. A actuación de Rubén ao longo do encontro oi fundamental para evitar unha derrota maior. Porén, o Celta marchou para o descanso cun gol de vantaxe, obra de Araújo no minuto 39 ao saque dun corner. A segunda parte contemplou un Celta á defensiva, temeroso. Só tirou unha vez a porta. O Valencia foi dominando a pelota e avanzando, tecendo aos poucos unha estratexia para aproveitar as costuras mal cosidas no equipo celeste para intentar marcar. E logouno: Ferrán no minuto 71. Ao Celta treméronlle entón as pernas, non foi quen de reaccionar e chegou o segundo gol valencianista. Cardoso xa suma peores resultados que Antonio Mohamed e hai inquedanza na parroquia celtista perante un Celta no que, actualmente, gran parte dos xogadores parecen ser peor do que son. A ausencia de Iago Aspas estase a facer moi longa. Ficha técnica: Celta (1): Rubén; Hugo Mallo, Roncaglia, Araujo, Juncà; Lobotka (Beltrán, min 88), Jozabed; Boufal (Emre, min 70), Brais, Sisto (Hjulsager, min 81) e Maxi Gómez. Valencia (2): Neto; Piccini, Garay, Gabriel, Gayà; Carlos Soler (Ferrán, min 60), Parejo, Coquelin (Wass, min 78), Cheryshev (Gameiro, min 60); Santi Mina e Rodrigo. Goles: 1-0 Araujo, min 39; 1-1 Ferrán, min 71; 1-2 Rodrigo, min 83. Árbitro: González González. Amoestou Jozabed, Brais Méndez, Hugo Mallo e Roncaglia (RC Celta) e Soler, Paulista e Ferrán (Valencia CF) Incidencias: Iago Aspas recibiu antes do encontro o premio Manuel de Castro. |
NOS_25637 | O Plan Retorna do BNG bateu esta terza feira contra as rochas dos 41 escanos do Partido Popular. A formación soberanista propuña destinar o 1 por cento dos orzamentos da Xunta a políticas encamiñadas a facilitar o retorno a Galiza da mocidade emigrada, un drama social provocado na inmensa maioría dos casos por razóns propias dun exilio económico. | Por todo argumento para xustificar o voto en contra da proposición non de lei do BNG, defendida por Olalla Rodil, o PP sustentou a tese de que desde o goberno galego xa se están a tomar medidas para facilitar o retorno das mozas e dos mozos que apañaron as malas na procura de oportunidades que o mercado laboral lles nega na Galiza. Os dados son verdadeiramente desoladores e deles botou man Rodil na súa intervención para ilustrar un éxodo de proporcións masivas. Segundo as cifras do Instituto Galego de Estatística, desde 2009 emigraron do noso país máis de 207.000 persoas, 89.000 das cais entre os 16 e os 35 anos. A consecuencia é o avellentamento da populación do país, até o ponto de que en apenas catro anos, os comprendidos entre 2012 e 2016, o número de mozas e mozos menores de 35 anos desceu en case 100 mil ao pasarse dos 952.937 aos 848.764. En apenas catro anos, os comprendidos entre 2012 e 2016, o número de mozas e mozos menores de 35 anos desceu en case 100 mil ao pasarse dos 952.937 aos 848.764 Para facer fronte a esta realidade, o BNG propuña, no Plan Retorna, un feixe de medidas con vistas a facilitar a emancipación das persoas retornadas cun fondo de vivenda en aluguer, a implementación de bolsas de ampliación de estudos, o impulso de contratos para persoal investigador e o financiamento de proxectos para emprendedoras e emprendedores. Este conxunto de medidas podería comezar a oferecer resultados tanxíbeis -o retorno, explicitou Olalla Rodil, debería facerse "paseniñamente, pero sen pausa"- a partir da dotación de fondos públicos na contorna de 90 millóns de euros, isto é, por volta do 1 por cento do orzamento da Xunta. A parlamentar soberanista esforzouse en esclarecer que o que está en causa non é tanto o retorno de netas e netos de galegas e galegos emigrados en xeracións anteriores, tal e como equivocamente entendeu Feijóo no debate de investidura, senón na volta dos por volta de cen mil mozos e mozas que se viron obrigados a abandonar este país por motivos económicos desde o estourido da crise. A iniciativa do BNG foi rexeitada cos votos do grupo parlamentar que dá suporte ao Goberno Feijóo. |
NOS_21436 | Galegas e galegos responden de maneira masiva ao chamamento para protestar porque o presidente da Xunta saíse en defensa do español como lingua vehicular no ensino. O tema chegou a ser tendencia a nivel estatal. | As modificacións na LOMCE coa chamada 'Lei Celáa' veñen de pór de actualidade novamente o conflito lingüístico entre o Estado español e aqueles territorios con nacionalidade histórica e lingua propia. Así o están a deixar ver centos de galegas e galegos nas redes sociais esta tarde. O chío e o cancelo máis repetido é "#OGalegoNonMata". A polémica xurdiu a pasada semana após un acordo entre PSOE, Unidas Podemos e Esquerra Republicana para que o castelán non fose a única lingua vehicular no ensino. Mais o malestar foi en aumento ao saír o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en defensa do mantemento do castelán como lingua principal no ensino. Esta fin de semana, o líder do Executivo galego e dos populares no país, acusou o Executivo de Pedro Sánchez de "tentar eliminar por lei" o castelán como lingua vehicular na educación e pretender "amordazar a prensa" a través dunha norma para que "sexa o Goberno quen decida o que é verdade e mentira". Co enfado de moitas persoas, esta mañá A Mesa pola Normalización Lingüística lanzou nas nas redes un chamamento para facer unha sorte de manifestación online para defender o potencial do galego. A cita era ás 20 horas, unha hora máis tarde da convocatoria en todo o Estado dun movemento contrario a prol do castelán. "Hoxe ás 20h nas redes sociais: Sr Feixoo, combata o virus e non o galego! cos HT #OGalegoNonMata e #RemoveTheLimitations en referencia á indicación que lle fixo o Consello de Europa respecto do galego en decembro", reivindicaron. Tendencia a nivel estatal E a xente respondeu en masa cunha defensa forte do galego. Se ben é certo que o cancelo "#YoQuieroEnseñanzaEnEspañol" colocouse como número 1 de tendencias en Twitter, en arredor de media hora "#OGalegoNonMata" achegouse á terceira posición dos temas máis comentados nesa rede social. Centos de persoas defenderon o galego tanto en Twitter coma en Instragram, entre outros foros dixitais. Puidéronse ler mensaxes de persoas de sobra recoñecidas na Galiza e de anónimas e anónimos lembrando que "mata a precariedade laboral e matan os recortes en servizos básicos, #OGalegoNonMata". Tamén houbo quen aludiu ás politícas "privatizadoras do PP" en xeral" e quen solicitou a Feixoo que deixe de "tirarlle pedras ao noso idioma". |
NOS_34937 | Nós Diario agasallará ás súas lectoras e lectores cun novo coleccionábel que lembrará as persoas que loitaron pola cultura do país desde o exilio. No ano en que se lle dedica ao exiliado Delgado Gurriarán o Día das Letras Galegas, 17 fascículos reivindicarán figuras que mantiveron vivo o facho da cultura nos anos máis escuros. | A cultura galega estaba nun período de vitalidade extraordinaria: a recuperación da lingua e da literatura da man do Partido Galeguista e das Irmandades da Fala supuña un renacemento literario no que convivían tradición e vangarda; as artes plásticas miraban cara a Europa sen deixar de reivindicar unha identidade propia da man de 'Os Novos'; estreábanse obras de teatro en galego -e mesmo algunha ópera- que desafiaban prexuízos e convencionalismos; os intelectuais tiñan un protagonismo destacado na vida política; a música xuntaba o folclore coas novas tendencia na busca de rexistros novos; revistas culturais como Nós daban conta daquel movemento de revitalización mentres outras como Ronsel, Alfar ou Céltiga creaban nexos de unión coas correntes europeas e americanas. E todo aquilo quedou estancado en xullo de 1936. A barbarie perseguiu e triturou a persecución da utopía, substituíndoa por un escurantismo represor e ignorante. Mais os creadores e as creadoras galegas seguiron teimando no seu empeño de dar a luz unha cultura que representase os anhelos da Terra. O exilio foi o escenario no que se continuou aquel labor de revitalización da creación e da vida social dun país máis libre, máis dono de si mesmo. Unha república entre a esperanza e a frustración Homenaxe ao exilio Nós Diario quere, no ano en que se lle dedica ao exiliado Florencio Delgado Gurriarán o Día das Letras Galegas, recuperar, aínda que sexa de forma simbólica, as figuras e as obras que continuaron fóra o que xa non podían rematar na Terra. A nova serie de fascículos que se entregará co xornal durante o mes de maio, quere contribuír a revalorizar todos aqueles persoeiros da cultura que sufriron a represión e que foron, por esa causa, parcialmente considerados, desigualmente apreciados ou mesmo inxustamente esquecidos. Algúns deles transformáronse en símbolos, como Castelao. Mais outros permaneceron na sombra ou recibiron máis aplauso no estranxeiro que na súa propia patria. Durante todo o mes de maio, de terza a sexta feira, publicarase un coleccionábel que reivindicará as vidas e as obras de Castelao, Luís Seoane, María Casares, Alonso Ríos, Virxinia Pereira, Arturo Souto, Maruxa Mallo, Ramón de Valenzuela, Amparo López Jean, Carlos Velo, Rafael Dieste, Lois Tobío, Suárez Picallo, Bal y Gay, Luísa Viqueira, Guerra da Cal e Mariví Villaverde. Unha manchea de nomes que representa moitos máis, pero que adquire protagonismo propio cando se observa con atención a calidade e o alcance da súa obra. Da man de reputados especialistas, a serie tratará de devolver a memoria dun grupo de homes e mulleres que crearon importantes centros de cultura nos que a defensa do idioma, da propia identidade cultural e da decidida acción política nacional foron o centro da actividade intelectual ao longo da xeografía americana e europea. A renovación artística de Arturo Souto, Maruxa Mallo ou Luís Seoane; o nacemento dun cine nacional da man de Carlos Velo; o prestixioso labor de tradutor de Loís Tobío; a conversión en estrela do teatro francés de María Casares; o encontro do folclore coas músicas máis audaces nas partituras e nos traballos de investigación de Bal y Gay; as diversas correntes literarias e culturais que encarnaron Mariví Villaverde ou Guerra da Cal; o activismo de Alonso Ríos ou Amparo López Jean... volverán á Galiza para quedar, situados no lugar que lles corresponde polos seus propios méritos. Guiados por especialistas O coleccionábel contará coa participación de especialistas como, entre outros, Miguel Anxo Seixas, Xosé Luís Axeitos, Xosé Carlos Bernárdez, Arantxa Estévez, Montse Fajardo, Xan Carballa, Mercedes Rozas, María Antonia Pérez ou Carlos Pereira. Guiados polas súas voces, traeremos de volta a obra e a traxectoria vital daquelas persoas que tiveron que renunciar a case todo para iniciar lonxe da casa un proxecto que ía máis alá da expresión persoal: lembramos á lírica dos desterrados de todas as batallas perdidas que van cantar unha patria por construír. É o exilio que volve á Terra para quedar. A Galiza que sobreviviu ao fascismo en América |
NOS_47999 | Entre 1116 e 1117 os burgueses composteláns enfrontan os señores. | Na derradeira década do século XI Galiza inicia un período de hexemonía política dentro do espazo dos reinos cristiáns da Península que se estende até o primeiro cuarto do XIII. Fixamos esta data en 1092, coa chegada de Raimundo de Borgoña, conde de Galiza grazas ao seu casamento con Urraca, flla de Afonso VI, rei de Castela, León e Galiza e que ten xa en Compostela o seu home de confanza, Xelmírez. A morte de Raimundo (1107) abre un forte debate, con enfrontamentos ou alianzas entre eles, entre a nobreza partidaria de participar como forza dominante nos asuntos políticos dos reinos cristiáns (e desde un reino propio para o que xa teñen rei: Afonso Raimúndez, fllo de Raimundo de Borgoña) e os defensores dos dereitos de Urraca, en especial leoneses e aragoneses. Entre un e outros, o alto clero, con Xelmírez á fronte, que busca quen mellor respecte os seus intereses. En 1111, o entendemento entre Traba e Xelmírez propicia a coroación de Afonso como rei da Galiza, coa conseguinte guerra que involucra todos e á que se unen novos participantes. Entre 1116 e 1117 os burgueses composteláns enfrontan os señores, principalmente Xelmírez, que non só sairá vencedor senón que reafrmará o seu poder ao conseguir elevar Santiago á categoría arcebispal e el mesmo ser o primeiro arcebispo. Esta vontade centralizadora de Compostela contribúe a que a nobreza portuguesa, interesada en se dotar de espazo propio, proclame Portugal independente, freando a posibilidade de Galiza se expandir militarmente cara ao Sul. Agora a nobreza galega debe procurar o seu papel preponderante noutros ámbitos. Cando, morta Urraca en 1126, Afonso pasa tamén a rei de León e Castela a ocasión está servida e a infuencia galega na corte dos seus sucesores Fernando II e Afonso VIII é evidente, como proba o feito de estes monarcas estaren enterrados en Compostela, na Catedral, o centro vital da Coroa. A partir de aquí os intereses dos monarcas, sen deixar de ter Galiza como referencia, sitúan Castela e a expansión cara ao sul como obxectivo e Galiza vai perdendo peso político, se ben mantén intacto o seu predominio cultural expresado sobre todo a través da literatura. |
PRAZA_6316 | Quizáis a fermosa escultura que preside a entrada ao conxunto patrimonial franciscano feita por Francisco Asorey, no seu día con recursos limitados, represente moito mellor o ideario de Asís que a modernísima On the road | Coa escusa dos 800 anos da camiñata de Francisco de Asís a Compostela púxose en marcha un ano franciscano na tentativa de acurtar o longo período de anos xubilares compostelás. Dentro das actividades desta conmemoración, de dubidosa veracidade histórica, desenvólvese en Compostela unha exposición, ubicada en varios espazos patrimoniais, ningún deles vinculado á Orde mendicante de Francisco de Asís nin á lenda franciscana de Cotolay no Monte Pedroso. O título desta exposición xa é ben curioso: On the road. Semella que –"No Camiño"- non ten sonoridade nin recoñecemento internacional, por iso hai que recorrer ao inglés. Esta reflexión escrita non vai analizar o contido nin a calidade artística da mesma. Este aspecto xa o trataron especialistas en varias publicacións internacionais. Só unha cidadá que está ao día nas súas obrigas fiscais quere facer unha reflexión sobre o custe, en diñeiro público, desta exposición. O custe aproximado da exposición, segregado en diferentes contratos para así dificultar o coñecemento pola cidadanía do gasto total, situase en torno aos 2 millóns de euros Primeiro. Un dos edificios utilizados para este evento, o Pazo de Xelmirez, na Praza do Obradoiro, consumiu arredor de 600.000 euros na súa rehabilitación. Para poder facer a exposición, este edificio rehabilitado foi panelado e está sen luz na parte máis singular e importante, o Refectorio, de tal xeito que é imposíbel admirar e gozar da súa rehabilitación. Segundo. O custe aproximado da exposición, segregado en diferentes contratos para así dificultar o coñecemento pola cidadanía do gasto total, situase en torno aos 2 millóns de euros, cifra evidentemente aportada desde o erario público, cheo neste momento de recortes en prestacións tan básicas como educación, saúde, benestar social… Seguro que Francisco de Asís, no seu ideario mendicante de proximidade á pobreza, partillaría un investimento nas persoas e no seu benestar. Terceiro. Na parte da obra exposta que se atopa no Pazo de Xelmirez e na primeira sala téntase reflectir a idea de pobreza que Francisco de Asís predicou e practicou a través do seu ideario. Cal é a solución artística a este compromiso?: un muro de pedra da sala recuberto de pan de ouro. Cuarto. A Asociación de Industrias Gráficas, ubicada en Santiago, que reúne a varias empresas de probada calidade no seu traballo, non tivo ningunha oportunidade para poder colaborar nesta exposición, mediante a edición dos catálogos en varios idiomas, facendo así que unha parte do diñeiro público galego, xerara emprego na Galiza. Por imposición do comisariado, estes catálogos tiveron que facerse fóra. Quizáis a fermosa escultura que preside a entrada ao conxunto patrimonial franciscano feita por Francisco Asorey, no seu día con recursos limitados, represente moito mellor o ideario de Asís que a modernísima On the road Podería seguir reflexionando e comparando o ideario franciscano de pobreza, defensa da Natureza e confrontación co poder establecido, simbolizado no papado de Roma, que no seu día Francisco de Asís desenvolveu fundando a orde mendicante dos franciscanos co insulto á cidadanía e despilfarro de diñeiro público que esta exposición supón, moi especialmente neste momento en que, coa desculpa da crise, se lle nega a calquera actividade cultural de base até o alento para poder respirar. Quizáis a fermosa escultura que preside a entrada ao conxunto patrimonial franciscano feita por Francisco Asorey, no seu día con recursos limitados, represente moito mellor o ideario de Asís que a modernísima On the road, exemplo de mal uso do diñeiro público. |
NOS_2992 | A comisión de investigación fora exixida e apoiada por ERC, BNG, Junts, PDeCAT, Bildu as CUP, PNV, Más País-Equo, e Unidas Podemos, que, pola contra, non apoiou a comparecencia de Pedro Sánchez no Congreso. | O Partido Socialista (PSOE) votou xunto co Partido Popular (PP) e Vox para rexeitar unha comisión de investigación sobre a espionaxe realizada con Pegasus a persoeiros do independentismo catalán e integrantes do Goberno español, entre eles o presidente, Pedro Sánchez. Neste sentido, os socialistas xustifican o voto en contra pola existencia da Comisión de Secretos Oficiais, encargada de recabar información sobre a espionaxe. O Goberno español denuncia o uso de Pegasus contra Sánchez e Robles A votación en contra da comisión de investigación chega apenas 24 horas despois de que o ministro de Presidencia, Félix Bolaños, informase nunha rolda de prensa que o presidente do Executivo estatal e a ministra de Defensa, Margarita Robles, tamén foron vítimas da espionaxe de 'Pegasus'. A comisión de investigación fora exixida e apoiada por ERC, BNG, Junts, PDeCAT, Bildu as CUP, PNV, Más País-Equo, e Unidas Podemos, que, pola contra, non apoiou a comparecencia de Pedro Sánchez no Congreso para dar explicacións, xa que, ao seu entender, "hai pasos que van antes". Rexeitamento da postura do PSOE Após a comisión fose tombada polo PSOE, os partidos que a exixían, na súa maioría integrantes do bloque da investidura de Pedro Sánchez, fixeron público o seu rexeitamento ao voto en contra dos socialistas. O portavoz parlamentario de ERC, Gabriel Rufián, afirmou que o PSOE non é "consciente" das consecuencias do voto en contra. Para Rufián, "quen pense que isto non pode 'cargarse' a lexislatura, non está avaliando a magnitude do que temos en fronte". 'Pegasus' podería ter espiado outras 150 persoas O seu homólogo no PNV, Aitor Esteban, asegurou que os socialistas están "absolutamente equivocados", é argumentou a necesidade dunha comisión de investigación porque "agora a confianza quebrou". Pola súa parte, a portavoz de Bildu na Cámara baixa española, Mertxe Aizpurúa, cualificou como "lamentábel" o voto en contra do PSOE, e afirmou que debería ser "o primeiro interesado" en coñecer o ocorrido. |
NOS_29615 | Comprométense a ceder espazos municipais para poder realizar a consulta. Fixérono nun acto convocado pola Associació de Municipis per la Independència (AMI) e a Associació Catalana de Municipis (ACM) que contou coa presenza do presidente da Generalitat, Carles Puigdemont. "Non retrocederemos perante o Estado", afirmaron os rexedores nun documento. | Máis de 500 alcaldes ratificaron en Barcelona o seu compromiso co referendo independentista do vindeiro 1 de outubro, nun acto convocado pola Associació de Municipis per la Independència (AMI) e a Associació Catalana de Municipis (ACM). Rexedores e representantes municipais asinaron un manifesto no que se comprometen a ceder espazos municipais para que esa consulta poida realizarse. O acto contou coa presenza do president e vicepresident da Generalitat, Carles Puigdemont e Oriol Junqueras,, a presidenta do Parlament, Carme Forcadell, consellers e deputados. Puigdemont agradeceu este compromiso e animou a sociedade catalá a non ter medo e manterse firmes na defensa do seu dereito a poder decidir. "Contra o Estado de medo, o Estado de esperanza e o Estado de dereito", dixo. Neus Lloveras, presidenta da AMI e alcaldesa de Vilanova i la Geltrú, advertiu ao Estado que non pensan "retroceder" e afirmou que "non hai nada máis revolucionario e transformador que poñer unha urna". Os rexedores advirten que embora as ameazas do goberno español, manterán o seu compromiso: "Se sempre acatásemos a lei, hoxe en día as mulleres non poderiamos votar". |
PRAZA_18381 | A pasada semana coñeceuse a intención de instalar unha tirolina dun quilómetro de lonxitude entre o Mirador do Duque (Monforte de Lemos) e o Mirador de Matacás (Castro Caldelas). A Sociedade Galega de Ornitoloxía alerta de que podería poñer en perigo a inclusión da Ribeira Sacra na Lista de Patrimonio Mundial da UNESCO | A pasada semana coñeceuse o proxecto de construír unha tirolina dun quilómetro de lonxitude no Canón do Sil, unindo as súas dúas beiras: entre o Mirador do Duque (Monforte de Lemos) e o Mirador de Matacás (Castro Caldelas). A instalación converteríase na segunda máis longa de Europa, só por detrás da existente en Portugal no parque Pena Aventura (Vila Real). O proxecto contaría co apoio de ambos os dous concellos e mais das deputacións provinciais de Ourense e Lugo. A SGO cualifica de "incongruente" que "as mesmas administracións que apostan polo turismo de calidade pretenden agora facer unha especie de parque de aventura potencialmente incompatible coa preservación dos valores naturais da zona" Coñecida a noticia, a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) manifestou xa a súa "total oposición" ao proxecto, destacando que a tirolina suporía "un impacto paisaxístico e ambiental incompatible coa preservación dos valores ornitolóxicos da área". A SGO cualifica de "incongruente" que "esas mesmas administracións que apostan polo turismo ornitolóxico e de calidade na zona pretenden agora facer unha especie de parque de aventura potencialmente incompatible coa preservación dos valores naturais da zona". Explica que "a área de actuación está incluída nas áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local das especies de aves incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas segundo a normativa da Xunta de Galicia", o que obrigaría á Administración e promotores "a avaliar o impacto deste e outros proxectos sobre as súas poboacións". Entre elas están o Voitre branco, a Gatafornela, a Tartaraña cincenta, a Aguia real e o Bufo real. A entidade conclúe que a construción da tirolina e as infraestruturas asociadas "podería supor unha grave agresión para paisaxe da contorna, poñendo en perigo a inclusión da Ribeira Sacra na Lista de Patrimonio Mundial da UNESCO" A entidade conclúe que a construción da tirolina e as infraestruturas asociadas "podería supor unha grave agresión para paisaxe da contorna, poñendo en perigo a inclusión da Ribeira Sacra na Lista de Patrimonio Mundial da UNESCO". Para a Sociedade Galega de Ornitoloxía, "a proliferación de infraestruturas turísticas nos últimos tempos (complexos turísticos ou a maior concentración de miradoiros de Galicia) non está a ter unha repercusión económica significativa na zona de xeito significativo nin na poboación local, ao non formar parte dunha planificación estratéxica que incorpore criterios de rendibilidade social, económica e ambiental". O Mirador do Duque, nos Canóns do Sil | Amio Cajander | CC BY-SA |
NOS_24777 | A conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, afirma que a manifestación convocada polas organizacións sindicais traslada unha "imaxe tremendamente negativa" e acusa a imprensa de "alentar" as mobilizacións. | Rosa Quintana anunciou que convocará unha mesa de negociación que xunte a todos os elos do sector lácteo após o agravamento da situación que o atinxe por mor do cesamento nas recollidas de empresas como Leite Río e Leitigal. Porén, malia que novas explotacións recibiron nos últimos días ameazas por parte da industria, a Consellaría de Medio Rural non puxo data a este encontro. En declaracións recollidas por Europa Press á saída da xuntanza que Quintana mantivo con produtores da Coruña, a conselleira aproveitou para bater contra o calendario de mobilizacións anunciado polas organizacións agrarias ás que se sumarán iniciativas impulsadas desde os concellos rurais e que está a promover o BNG. "Cunha mobilización non se consegue arranxar o sector" lácteo, sinalou Quintana, quen non dubidou en criticar as informacións recollidas na imprensa á quen acusa de "alentar" as mobilizacións. "Se estivese convencida de que con facer unha mobilización se conseguía resolver o problema, a primeira en saír á cabeza da manifestación sería eu", acrecentou. Segundo a responsábel de Medio Rural os protestos das explotacións gandeiras e dos sindicatos trasladas unha "imaxe tremendamente negativa" do sector. "Se estivese convencida de que con facer unha mobilización se conseguía resolver o problema, a primeira en saír á cabeza da manifestación sería eu" Porén, Quintana nega mesmo a evidencia asegurando que a industria se comprometeu a que non quedaría "nen un só litro sen recoller". Unha declaración que contrasta coa realidade pois as recollidas de Leite Río suspendéronse xa para 20 gandeir@s mentres Leitigal anunciou que tamén cesaría nalgúns puntos. A OLP tamén se mobiliza Desde a Organización de Produtores Lácteos (OLP), o seu presidente, Manuel Iglesias, avanzou que se sumarán ao calendario de mobilizacións porque "as industrias continúan a incumprir os contratos". "Se nos chaman", afirmou, "estaremos encantados de seguir pelexando co sector produtor". Até o de agora convocouse unha manifestación unitaria o 17 de xullo en Compostela e pevese que unha "grande tractorada" dea continuidade aos protestos, convocada para o 1 de setembro pola propia OLP. Aliás, o alcalde de Boimorto, Xosé Luís Rivas, Mini, convocou aos gobernos do rural galego a unha xuntanza na súa localidade para artellar unha fronte en defensa do sector "independentemente da cor política". |
NOS_9263 | Neste Un Mapa, Belén busca as súas orixes arxentinas e por iso está en castelán. | Un mapa é o primeiro traballo en solitario de Belém Tajes. A todoterreo Belém (cantante, pianista, guitarrista, compositora) leva un carreirón de coidado: 3 discos con Vudú (xunto a Maritxinha no baixo), dous con Moura, un con Aliboria, un con O Cadelo Lunático e un libro disco de cancións irlandesas (Cantos do mar de Irlanda). Neste Un Mapa, Belén busca as súas orixes arxentinas e por iso está en castelán. A cantante naceu en Buenos Aires e pasou alí a súa primeira infancia. Cando comezou a pensar en quen é ela como música decatouse de que aprendeu a cantar alí. Sendo neta de galegos, aló mamou moita da nosa música. Este mapa, segundo palabras da artista, vale para saber de onde vén e a onde vai. Na introdución escoitamos a Belém cantando con 4 anos, e está reharmonizada por Abe Rábade. "Pájaro Negro" foi a primeira composición en castelán que fixo. O tango non podía faltar tratándose da arxentina. "A chacarera" tamén é un ritmo característico arxentino e nesta colaboran as pandeireteiras Lilaina con instrumentos de percusión ibérica; a peza vai practicamente a capella. "Pochoclo" é o punto triste do disco, unha peza na que colaboran Bicoia: está dedicada á que era a mellor amiga de Belém, que faleceu en 2020… pero con esta fermosura de peza cúrase a alma. No disco está Nico Vieites, que é o produtor, e outras colaboracións son Cibrán Seixo, Benjamín Groisman, Victoria Virgolini, Sérgio Tannus, Diego Bea Besada, Benxamín Otero e Adrián Seijas. A maxia deste EP reside en facer tan só 5 pezas e que sexan tan variadas entre si. E na sinxeleza: non é complexo nin moito menos arrevesado, mais non é unha sinxeleza plana; é unha sinxeleza rica, bela, que transmite milleiros de emocións. A presentación física é interesantísima. Xa sabedes que eu aplaudo até deixarme as mans os envoltorios creativos, e este é o caso: a botelliña conecta cos soños de Belém da infancia. Imaxinábase atopando unha botella no mar cun mapa, e foi así como decidiu meter o QR para descargar as pezas nunha zona secreta da súa web: agasállanos cun tremendo tesouro! Ademais, o material empregado (como nos gusta a reciclaxe!) conecta cun proxecto de Belém chamado A liña verde, no que recolle as cordiñas verdes que deixan os pescadores. Porque xa vos dixen que ela é unha todoterreo, verdade? Guardaba cada recuerdo en una cajita cerrada.Perdía la llave y el sueño y los encontraba cada mañana.No quiero consejos ni charlas, tan solo por hoy quiero la nostalgia.Ya no llores más cuando estés en la casa, que se fueron las penas y ha vuelto la calma. |
NOS_15859 | Libre do dominio visigodo e musulmán, a aristocracia da Gallaecia emerxe a comezos do século VIII como a verdadeira dona do territorio. No norte, as crónicas de Afonso III, escritas por volta do ano 880, narran os acontecementos, reais ou fantasiosos, dunha parte desa nobreza autóctona próxima á zona de Cangas de Onís. Nelas aparecen nomes como Paio (Pelagius) e os seus descendentes. Nobres que as crónicas posteriores pretenderon facer pasar por descendentes dos antigos reis visigodos. Após o goberno de Fávila e Afonso I, o de Froila I representou un momento de cambio e rivalidade entre os señoríos do norte da Gallaecia. | A morte de Froila I, no ano 768 abriu un novo período caracterizado pola confrontación entre candidatos ao trono. Foi o caso dos grandes magnates que entre os anos 768 e 791 exerceron como auténticos reis na Gallaecia. A pesar da súa importancia, nin as crónicas nin a tradición historiográfica posterior crearon sobre eles un relato positivo, identificándoos como usurpadores e viláns, unha valoración que alén de causas políticas tamén se baseaba no feito de que estes souberon manter unha fráxil, pero útil, paz coa veciña Hispania musulmá. Unha situación que lles permitiu consolidar a institución rexia á vez que esta se espallaba por toda a Gallaecia. De orixe dispar, e descoñecida as máis das veces, con estes monarcas daríase un xiro xeográfico que dotaría de maior influencia o occidente da Gallaecia en detrimento da zona cántabra.A historia destes reis ou principis alto-medievais chamados ás veces "usurpadores", comeza co asasinato do rei Froila I a mans duns nobres rebeldes. Un magnicidio que non foi especialmente mal visto polas crónicas posteriores, que o xustificaron a través do suposto carácter cruel e desapiadado do rei deposto. Mais alén da influencia que tivo a impopularidade do monarca, o asasinato de Froila I puxo de manifesto a debilidade da figura do monarca. A pesar de que algúns consideraron que o fillo de Froila I, o futuro Afonso II, era o único herdeiro natural do reino, este non herdou a coroa até anos máis tarde. Aínda que as crónicas non o especifican, non resulta aventurado imaxinar que a facción nobiliaria que derrocou a Froila I e acabou coa súa vida, foi a mesma que apartou do trono o seu fillo, o futuro Afonso II. O tempo de Aurelio A teor dos acontecementos posteriores, todo indica que o líder da facción que se rebelou contra Froila I, home "de condición áspera" segundo a Crónica Albeldense, non foi outro que un nobre chamado Aurelio. A orixe latina do seu nome ("Aurelius") talvez poña en evidencia a súa posíbel orixe autóctona, o que delataría a existencia de poderes locais escasamente vinculados á antiga monarquía visigoda. Aínda que nada se coñece con certeza sobre a súa ascendencia, nin as vinculacións dos seus pais co territorio que gobernaba inicialmente, próximo ao centro de Asturias, é posíbel que Aurelio fose un aristócrata local. Con todo, como lembra López Teixeira, autor do libro A formación do Reino de Galiza (711-910), as crónicas de Afonso III, escritas cen anos máis tarde, quixeron presentar a Aurelio como primo-irmán de Froila, a fin de facelo descendente, máis unha vez, do conde Pedro de Cantabria. Mais fose o parentesco entre ambos nobres verdadeiro ou non, todo indica que a facción responsábel do asasinato de Froila I foi a mesma que posteriormente apoiou a Aurelio. Un bando cuxa zona de influencia debeu centrarse, principalmente, no centro da actual Asturias, onde conta a lenda local que Aurelio foi sepultado nunha igrexa por el mesmo fundada en Samartín, próximo a Llangreu, no ano 774. Do seu reinado e da acción de goberno que desenvolveu, é moito máis o que se ignora do que se coñece. A Crónica Albeldense apenas menciona a figura de Aurelio, indicando que reinou durante seis anos. Son as crónicas posteriores, na súa versión Rotense e Sebastianense, as que relatan a existencia dun clima de tensión social nun momento en que a restitución do Estado, tanto do poder nobiliario como o eclesiástico, suscitaba grandes tensións co campesiñado. Unhas revoltas que Aurelio aplacou e sobre as que se impuxo definitivamente. Porén, se a nivel interno Aurelio foi capaz de ampliar e estabilizar o reino, a súa acción de goberno exterior caracterizouse pola paz. Un escenario que as crónicas de Afonso III sinalan firmemente, ao afirmar que mantivo a paz coa veciña Hispania musulmá. Dato este, que a propia historiografía hispano-musulmá e árabe confirma mais que non sempre foi ben recibida, nin comprendida, polos cronistas cristiáns, máis proclives, xa que logo, a enxalzar aqueles monarcas que mostraron unha maior hostilidade contra os emires musulmáns. Tras un curto reinado, seis anos despois de asumir o trono galaico, Aurelio, morría −todo indica− de morte natural, durante o comezo do sétimo ano do seu reinado. O reinado de Silo Morto Aurelio, xa que logo, no ano 774, o baleiro de poder axiña foi ocupado por outro nobre: Silo. Ao igual que no caso de Paio e Aurelio, a onomástica deste rei entronca coa tradición autóctona de nome latino ("Silus", nome común no Imperio romano), porén a vida e as orixes de Silo resultan practicamente descoñecidas. A pesar do silencio acerca da súa familia, a crónica Albeldense afirma que Silo chegou ao trono unicamente por estar casado con Adosinda, irmá do rei Froila I. Unha vinculación que boa parte da historiografía actual pon en dúbida, pois segue o propósito de unificar aos diferentes gobernantes baixo unha única liñaxe real galaica. Con todo, se en efecto Silo se converteu en rei a través do matrimonio con Adosinda, nada sabemos, porén, das súas orixes. Malia a falta de información, sen dúbida, un dos datos máis significativos arredor da orixe de Silo sexa o cambio xeográfico que este levou a cabo na sede rexia, situándoa aínda máis ao oeste, na vila de Pravia, a antiga Flavium Avia de época romana. Unha localidade que na Gallaecia sueva fora capital da parroquia do pobo ástur dos Paesicos e que estaba unida á antiga Lucus Augusti (actual Lugo) a través dunha calzada romana. Mais, do que non hai dúbida é de que o patrimonio da familia de Silo se estendeu por gran parte do occidente da Gallaecia, tal e como revela o coñecido como "Diploma do Rei Silo"; un documento de gran relevancia que acredita a existencia deste rei e no que este a alude a propiedades súas na antiga diocese dos britóns galegos, en concreto nas terras entre os ríos Masma e Eo. O feito de que o propio Silo dispuxera de territorios na Mariña, mais tamén no occidente asturiano, en concreto na vila de Pravia, fai pensar ao mundo investigador que o centro de gravidade da nova monarquía galaica comezou a se desprazar, con maior peso, cara ao territorio estritamente galego. A este respecto, se cadra non resulte casual que as crónicas se fagan eco dos constantes conflitos entre este princeps galaico-asturiano e certas poboacións galegas próximas ás súas terras de dominio directo. Así o demostra a batalla que este librou no lugar de Monte Cuperio (actual Montecubeiro, Castroverde) na que Silo −afirma a Crónica Rotense− tivo que facer fronte a algúns pobos galegos rebeldes. Unha conflitividade que, con todo, non se debeu limitar a estas terras lucenses, e que como indica López Teixeira, semella ser a continuación daquelas revoltas contra Froila e Aurelio tamén recollidas polas crónicas posteriores. Veraces ou non, estas informacións permiten albiscar, como acontecía con Aurelio, unha política rexia especialmente atenta á consolidación do Estado e unha maior organización interna dunha monarquía galaica máis forte e feudalizada; unha estratexia que precisaba manter o fráxil equilibrio político coa veciña Hispania musulmá. É por esta razón que a Crónica Albeldense, redactada por volta do ano 883, recorda como Silo mantivo a paz con Hispania. Porén, a propia crónica adquire unha auréola enigmática cando considera que esta paz, en efecto duradeira, foi motivada pola propia nai de Silo. Hoxe, a memoria de Silo asóciase especialmente coa antiga igrexa de Pravia, lugar onde se cre que o monarca mandou esculpir un labirinto epigráfico, único na Gallaecia, no que se repite a lenda SILO PRINCEPS FECIT. Nesta igrexa de Pravia, Silo mandaría edificar o seu túmulo, non sen antes proclamar ao fillo de Froila, Afonso, como gobernador de palacio. Malia que as crónicas negan, como acontece con Aurelio, calquera tipo de descendencia de Silo, todo indica que este morreu, en efecto, no ano 783, en circunstancias que se ignoran. Menos fiábel se mostra, no entanto, o feito de que Silo e Adosinda dispuxesen todo para que Afonso, o sobriño de Adosinda, herdara o trono da nova monarquía galaica. Intencionadamente, ou non, a Crónica Rotense narra como, xusto antes de Afonso II suceder a Silo, un nobre coñecido como Mauregato, apoiado por un sector importante da aristocracia, logrou impoñerse sobre Afonso II e facerse finalmente co trono. Novamente, a Crónica Rotense encárgase de presentar a Mauregato como tío de Afonso II e, xa que logo, como descendente do conde Pedro de Cantabria. O Goberno de Mauregato Se cadra, a mellor mostra de que esta relación de parentesco non foi tan obvia sexa, precisamente, o silencio que Crónica Albeldense mostra sobre o propio Mauregato, do que apenas se afirma que o seu reinado durou seis anos. Como apunta López Teixeira, Mauregato foi, sen dúbida, un monarca especialmente maltratado polos cronistas posteriores, sendo obxecto dunha forte damnatio memoriae que o describiu como un tirano, un usurpador, e ao que, intencionadamente, se lle adxudicou unha orixe servil, presentándoo como fillo dunha serva, é dicir, un monarca sen pureza de sangue. Para López Teixeira, esta animadversión pola figura de Mauregato está directamente relacionada coa paz que este mantivo con Hispania, é dicir, co Emirato de Córdoba, do mesmo xeito que a conservara Silo. O rexeitamento cara esta política de entendemento coas autoridades musulmás fixo xurdir mesmo o falso mito cristián do "dote das cen doncelas". Unha lenda, escrita máis de 200 anos despois da morte de Mauregato, que atribuía a este rei o cruel envío de cen mulleres cristiás para Córdoba como pago de paz, co que se pretendía conferir un ar depravado ao monarca. Se cadra, o odio a Mauregato posúa outras explicacións vinculadas á liñaxe do propio rei, unhas orixes que os cronistas ao servizo de Afonso III estimaban necesario ocultar. Novamente, ao igual que nos casos de Aurelio e Silo, o nome de Mauregato revélase alleo á tradición xermánica e afonda as súas orixes, tal e como aconteceu cos seus predecesores en nomes de orixe latina (Mauricatus); un nome que non foi infrecuente en terras galegas, onde aínda existen topónimos ligados a este nome, tales como Mourigade. Para López Teixeira, o reinado de Mauregato foi, en realidade, moito máis importante do que as crónicas posteriores quixeron facer crer. Durante este desenvolveuse a querela adopcionista en Hispania; unha doutrina defendida entre outros polo arcebispo Elipando de Toledo e Félix de Urgell que negaba a substancia divina de Cristo. Non menos importante será, tamén no reinado deste monarca, o desenvolvemento do primeiro himno en honor a Santiago (O dei verbum), co que se comeza a vincular a presenza do apóstolo Santiago a terras ibéricas.Aínda que febles, as fontes que mencionan a Mauregato sinalan que a súa morte aconteceu no ano 788. Como nos anteriores monarcas, de novo se presenta ao rei como un soberano sen descendencia, coincidencia escasamente verosímil, á que se omite calquera mención a ningún cónxuxe. Unha omisión que, máis unha vez, semella ser infundada polos cronistas de Afonso III para non comprometer a súa lexitimidade perante outros posíbeis descendentes do rei e, polo tanto, rivais polo trono. Após o seu goberno foi outro nobre o que se fixo co trono; o seu nome era Vermudo. De nome xermánico, as crónicas preséntanos a Vermudo como irmán ou medio-irmán de Aurelio e neto de Pedro de Cantabria novamente. Sen evidencias claras, o certo é que a súa orixe semella poder situarse no occidente da Gallaecia. A diferenza dos seus predecesores, as crónicas apuntan ao aumento da tensión bélica entre o emerxente reino galaico e as autoridades hispano-musulmás. No entanto, as sucesivas derrotas contra os exércitos musulmáns deberon cuestionar seriamente o liderado do novo rei. Este feito foi considerado tradicionalmente como a causa de que, tempo despois, no ano 791, Vermudo I abdicase dos labores de goberno e tomase o hábito, motivo polo que é coñecido como Vermudo "o diácono". Con esta decisión, Vermudo poñía fin, segundo as crónicas de Afonso III, á longa espera do fillo de Froila, Afonso II, quen despois de máis de vinte anos (768-791) ascendía ao trono finalmente. O estudo onomástico destes monarcas, os máis deles con nomes alleos ao mundo xermánico, semella fortalecer a tese de que as raíces destes nobres se atoparon nas elites autóctonas aínda que romanizadas, da Gallaecia altomedieval. Isto non fai senón evidenciar un contexto moito máis complexo e diverso, multiétnico, formado por fortes poderes autóctonos e liñaxes diversas cuxo único nexo de unión era a igrexa romana. |
NOS_10536 | Stop Eólicos Xurés Celanova lembra que a documentación debe estar nunha lingua oficial na Galiza. | A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova rexistrou no Concello de Celanova un escrito dirixido á Consellaría de Economía, Empresa e Innovación advertindo do uso dun idioma non oficial na Galiza na documentación que se somete a información pública no proxecto de central eólica Monte da Neve entre Celanova e Verea. A documentación é resultado do acordo do 1 de decembro de 2021 da Xefatura Territorial de Ourense, sobre as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto de interese autonómico e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Monte da Neve e liña de evacuación, situado nos concellos de Celanova e Verea. A plataforma sinala que o anexo número 14 referido ás características técnicas do modelo de aeroxerador previsto, e que se incorpora como parte do Estudo de Impacto Ambiental, está en lingua inglesa. A lingua inglesa, indica, non é lingua oficial na Galiza, "polo que se dificulta a participación pública no procedemento de alegacións", apunta a plataforma e reclama que se corrixa ese erro e se amplíe o prazo de alegacións máis alá do 25 de xaneiro para facilitar o trámite de alegacións que se sostén a participación pública neste tipo de procedementos. A plataforma tamén recorreu á Mesa pola Normalización Lingüística. A través da 'Liña do galego' formalizouse a denuncia polo uso dunha lingua non oficial nun documento a exposición pública. A Mesa informou a pasada semana que xa deu curso á queixa diante da Valedora do Pobo, e tamén da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Vicepresidencia Segunda e Consellaría de Economía, Empresa e Innovación. |
QUEPASA_615 | Onte falecía outra muller de 91 anos na Residencia DOMUSVI de Vimianzo. Son xa 12 as persoas falecidas na residencia vimiancesa nesta terceira vaga. | 80 novos casos máis ten hoxe a Costa da Morte, chegando a un total de 872 nos 19 Concellos da Costa da Morte. Unha cifra que xa bate con diferencias as taxas de novembro, demostrando que esta tarceira vaga é moito máis agresiva, e deixando ás claras que a curva está lonxe de recuar. Máis de 30 deses novos casos son de Carballo, onde superan os 240 novos casos nos últimos 14 días (254 casos activos, 22 máis ca onte) tendo un dos grandes problemas na residencia DomusVi, onde hai máis de 70 casos activos, e onde xa falecía unha persoa esta semana. Seguen aumentando moito os casos na Laracha e Coristanco, deixando a cifra dos 7 concellos de Bergantiños nos case 500 novos casos nestas últimas dúas semanas.Ademais, a subida está sendo fulminante, e por exemplo A Laracha pasou en apenas 3 semanas de estar entre 1 e 9 novos casos a superar a centena, sendo xa un dos 10 concellos con maior taxa de incidencia acumulada, rozando os 1.000 novos casos por cada 100.000 habitantes En Soneira Imaxe do cribado desenvolto estes días na Casa da Cultura de Vimianzo Mentres, pola comarca de Soneira continúan en marcha os cribados en Vimianzo e Camariñas. Semella que baixa a cantidade de novos positivos, pero non tanto os casos activos. En Camariñas continúa habendo preto de 90 casos activos sendo 112 en Vimianzo. Os dous concellos superan os 1.000 novos casos por cada 100.000 habitantes. Máis novas sobre o covid 20-01-2021: COVID: Aumenta tamén a incidencia nos centros de ensino. 19-01-2021: COVID: A Laracha, Cabana, Coristanco, Dumbría e Muxía, tamén en nivel máximo de restricións. 18-01-2021: COVID: Preocupación en Carballo ante o novo gromo na Residencia DomusVi. 17-01-2021: COVID: O Sergas fará esta semana un cribado masivo de 6.000 persoas en Camariñas e Vimianzo. 14-01-2021: Vimianzo pon o foco… nos clubs. 13-01-2021: COVID: Carballo, Cee, Camariñas, Laxe e Vimianzo, no nivel máximo de restricións / Chegan as primeiras vacinas ao HVdX. 13-01-2021: COVID: Vimianzo pon o foco nos bares. 12-01-2021: COVID: A Xunta limita a mobilidade en todos os Concellos e obriga a pechar a hostalería ás 18:00h. 11-01-2021: COVID: As cifras sinalan un aumento do 40% nos novos positivos na última semana . 07-01-2021: COVID: A tendencia volve ser á alza. 04-01-2020: COVID: Vimianzo non se libra e Carnota recupera a mobilidade. 29-12-2020: COVID: 9 concellos, tralo peche de Carnota e Muros, rematan o ano con especiais restricións. 28-12-2020: COVID: Vimianzo, Xallas e Fisterra, as zonas onde se manteñen o virus. 22-12-2020: COVID: O Plan de Nadal inclúe excepcións entre o 23 e o 25. 16-12-2020: COVID: Santa Comba, Mazaricos, Carnota, e Fisterra pasan ao nivel medio-alto de restrición. 15-12-2020: COVID: 9 do 10 positivos do IES de Fisterra son usuarios de autobús. 14-12-2020: SERGAS fai un novo cribado en Camariñas, Mazaricos e Santa Comba 11-12-2020: COVID: Camariñas e Zas entran no peche perimetral de Vimianzo; A Laracha, Cabana e Malpica relaxan restricións. 10-12-2020: Preocupan os gromos no IESP Pedra da Aguia e no IES Fin do Camiño. 10-12-2020: COVID: "Vasos comunicantes" de norte a sur. 06-12-2020: Coa do IES Pedra da Aguia, son 6 as aulas pechadas por covid na comarca. 04-12-2020: COVID: As cifras de Bergantiños iguálanse ás do resto da Costa da Morte. 02-12-2020: COVID: Como afecta a nova "desescalada" e a reapertura progresiva da hostalería na Costa. 01-12-2020: COVID: Así está a situación do coronavirus na Costa da Morte. |
PRAZA_11624 | Dentro das actividades ligadas á COP25, Pontevedra e Lugo acudiron dúas veces a expoñeren experiencias que xa están en marcha ou que ambos concellos prevén para os vindeiros anos | "Reivindico a política, porque penso que non hai solucións sen solucións políticas". O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, expresábase deste xeito o pasado 4 de decembro no encontro Agenda urbana y cambio climático, un dos múltiples eventos que transcorren estes días en Madrid no marco da COP 25, o cumio das Nacións Unidas sobre o cambio climático. Alén das sesións centrais e dos eventuais acordos que os gobernos participantes poidan adoptar, a COP é tamén un enorme panel de eventos paralelos ou colaterais no que múltiples entidades, tamén administracións públicas, expoñen as súas experiencias para combater a crise climática ou os proxectos nos que traballan para tentar facelo nos vindeiros anos. Dous concellos galegos, o pontevedrés e mais o de Lugo, acudiron en dúas ocasións a estas sesións na última semana.Dentro das actividades ligadas á COP25, Pontevedra e Lugo acudiron dúas veces a expoñeren experiencias que xa están en marcha ou que ambos concellos prevén para os vindeiros anosNo caso de Pontevedra, a súa participación na COP non é nova, porque o propio Lores xa fora convidado ao cumio do clima de hai catro anos en París. A primeira das dúas intervencións do rexedor pontevedrés produciuse por convite do Ministerio de Fomento para abordar o modelo de "mobilidade sostible" da cidade do Lérez. "Cada un, dentro da súa responsabilidade política, ten que exercer as súas competencias, non hai escusas para non tomar decisións", advertiu o rexedor do BNG nun contexto no que a directora da Fundación Conama, Alicia Torrego, subliñou que "a estas alturas, xa todos temos interiorizado que Pontevedra é unha cidade para camiñar".Isto é así, resaltou Lores, porque dende hai dúas décadas Pontevedra deixou de ser "un almacén de coches" para procurar "un espazo público para as persoas, para a estancia". O modelo urbano pontevedrés, subliñou, trouxo consigo "unha redución do 67% das emisións de CO₂ grazas ao calmado e á redución de tráfico", cun impacto na saúde que suscitou, precisamente, a súa segunda participación no cumio, este sábado, neste caso convidado polo Ministerio de Sanidade para falar no evento Las políticas municipales frente a la contaminación atmosférica y el cambio climático, tamén paralelo á COP25.Lores: "Logramos unha redución do 67% das emisións de CO₂ grazas ao calmado e á redución de tráfico""Pontevedra leva vinte anos traballando por mellorar a calidade de vida da súa veciñanza seguindo todas as pautas máis avanzadas do mundo" emanadas de cumios coma este, subliñou Lores. Non obstante, advertiu ante responsables doutros municipios -entre eles, Madrid-, cómpre estender a "asunción de competencias con valentía e determinación". "Sinceramente, cremos que non se está avanzando suficientemente" na loita contra o cambio climático "especialmente por parte dos Estados e das empresas", pero "tamén, por parte dalgúns municipios". Neste sentido, e "aínda que nos gustaría que fose máis efectivo", si cómpre admitir que a celebración da COP25 "pon no primeiro plano da opinión pública" esta situación.Construción en madeira e calor por biomasa en LugoNo caso do Concello de Lugo, a primeira das súas dúas intervencións desenvolveuse no marco da xornada Acciones Locales por el Clima, impulsado na programación da COP pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e outras entidades ligadas á Administración local. Alí a alcaldesa lucense, Lara Méndez, debullou proxectos incluídos no proxecto LIFE Lugo Biodinámico, cofinanciado pola Unión Europea e no que o consistorio traballa da man da Universidade de Santiago.A alcaldesa de Lugo presentou o proxecto de "barrio multiecolóxico", de nova construción baseada en madeira autóctonaMéndez fixo especial fincapé no que o goberno da cidade presenta como un dos seus proxectos centrais en materia ambiental: "levantar, dende cero, o primeiro Barrio Multiecolóxico" do Estado na contorna da Garaballa. Este proxecto pretende "aplicar solucións ecolóxicas na planificación urbanística e nos servizos" colaborando co sector forestal, "xa que a madeira autóctona será o elemento construtivo do barrio", subliña a socialista. "Onde primeiro se poderá ver será no Edificio Impulso Verde, o primeiro de uso público construído utilizando madeira de Galicia" e que "emitirá un 90% menos de CO₂ que edificios de formigón e aceiro".Alén deste barrio de nova construción, detallou Méndez, outro dos pés do proxecto LIFE Lugo Biodinámico é "o novo pumón verde de 16 hectáreas que completa o Cinto Verde de Lugo", cuxa concepción se remonta tamén a finais dos 90. Trátase, di, de "xerar un espazo que mellora a calidade doa ire da contorna, fomentando a absorción de CO₂ e axudando á recuperación de especies de flora e fauna". Ademais de ser un novo espazo verde para o paseo ou a práctica deportiva, subliña, "recuperouse unha xoia natural, un humidal que será Espazo Natural de Interese Local (ENIL) e "establecéronse zonas de cultivos demostrativos para a construción das cidades do futuro", espazos tamén para a investigación do Campus Terra da USC.A rede de calor de biomasa substituíu sistemas de calefacción e auga quente en espazos deportivos municipais antes alimentados por combustibles fósilesA segunda quenda de Lugo nos eventos ligados á COP25 desenvolveuse o pasado xoves, nun dos paneis dedicados á ligazón entre "sostibilidade de deporte". Neste caso foi o edil de Deportes da cidade da Muralla, Miguel Fernández, quen subliñou o aproveitamento para a práctica deportiva de espazos naturais lucenses, como o paseo do río Rato -parte da reserva da biosfera Terras do Miño- xunto a proxectos aínda por desenvolver como "a creación de máis de 15 quilómetros de carril bici que servirán para dar continuidade ás vías de circulación compartida e tráfico relaxado que xa existen no perímetro da Muralla" e que chegarán ao devandito "Barrio Multiecolóxico" de nova construción.Ligada ao deporte, resaltou Fernández, está tamén a "primeira rede de calor municipal con biomasa de toda Galicia, que abastece de enerxía térmica a oito edificios municipais con pautas moi diferentes de consumo e potencia". Esta instalación de biomasa dá servizo a infraestruturas municipais como "unha piscina climatizada, un polideportivo, un campo de fútbol e un club de tenis de mesa" e serve para alimentar sistemas de calefacción ou auga quente. Onde agora se emprega a biomasa, subliña, antes había "combustibles fósiles", polo que a mudanza é unha mostra práctica de "redución das emisións de CO₂ á atmosfera". Isto, conclúe, "non é unha moda, é unha necesidade e no caso do Concello de Lugo, tamén unha convicción". |
PRAZA_18251 | Varias entidades galegas e portuguesas constitúen unha organización centrada no impulso da lusofonía e que urxe ao cumprimento da Lei Paz-Andrade | "Xuntar esforzos, coordenarse e cooperar na difusión de iniciativas encamiñadas a situar a Galiza no seu espazo natural lingüístico-cultural, a Lusofonía". Eses son os obxectivos que se marca a Rede de GaliLusofonía, constituída este pasado venres 12 de outubro en Pontevedra, no marco do Foro da Maré-Cantos na Maré, e formada por varias entidades galegas e portuguesas. A Rede nace co obxectivo de "xuntar esforzos, coordenarse e cooperar na difusión de iniciativas encamiñadas a situar a Galiza no seu espazo natural lingüístico-cultural, a Lusofonía" A Mesa pola Normalización Lingüística, a Academia Galega da Língua Portuguesa, AGAL-Associaçom Galega da Língua, AJA Galiza-Núcleo da Associaçom Jose Afonso na Galiza, aRi[t]mar galiza e portugal, Castro Galaico Festival de Nogueiró (Portugal), Convergências Portugal Galiza, SCD Condado (Festival da Poesia), Fundación Via Galego, Ponte a Portu-Gal-Concello de Ponteareas, Ponte nas Ondas e o festival Traz outro amigo também constituíron esta Rede centrada no impulso da lusofonía, da que destacan o seu "gran potencial noutros campos como o económico e o institucional". "Facémonos eco dunha demanda nacida na sociedade civil que logrou, a través dunha iniciativa lexislativa popular, que o Parlamento Galego aprobase en 2014 a coñecida como Lei Paz-Andrade 'para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa Lusofonía", di a Rede de GaliLusofonía, que urxe ao seu "cumprimento", tal e como reiterou esta mesma semana a Cámara nunha resolución que insta o goberno galego ao seu decidido desenvolvemento. A Rede da Galilusofonía urxe ao "cumprimento" da Lei Paz-Andrade "As dúas iniciativas parlamentares foron aprobadas por unanimidade, o cal demostra o consenso político e a madurez social para avanzar nun horizonte de futuro para a nosa lingua común", destaca a Rede, que di compartir o desexo manifestado polo Parlamento de "incorporar a Galiza á Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) á cal pode aderir por orixe histórica e vontade popular e política". A Rede recentemente creada manifesta tamén o seu "interese" de integrar nela todas as entidades que "se identificaren con estes obxectivos en calquera dos países de lingua oficial portuguesa". Ademais, anunciou que celebrará proximamente un novo encontro na cidade de Braga, "capital histórica da Gallaecia", para desenvolver os seus obxectivos e definir a súa estrutura organizativa. |
PRAZA_11762 | Sete anos despois do primeiro anuncio de Feijóo, a Xunta aproba a convocatoria de 1.424 prazas para tornar persoal laboral fixo en funcionario e prevé celebrar as probas antes das eleccións. O proceso foi pactado con UGT e CC.OO. acordo do que se desmarcan CIG e CSI-F | "Damos ao persoal laboral fixo a posibilidade de converterse en funcionarios. Son unhas 6.000 persoas". Apenas unha semana despois de alargar a súa maioría absoluta nas eleccións galegas de 2012, Alberto Núñez Feijóo puña cifras nunha entrevista no Faro de Vigo a unha das promesas estrela do programa do PP en materia de emprego público: "Realización do proceso de funcionarización do persoal laboral da Administración Autonómica".Aquel anuncio vinculábase á aprobación da lei do emprego público, que viu a luz en 2015 incluíndo unha disposición ao respecto, así como a diversas negociacións cos sindicatos da función pública, que desembocaron nun acordo asinado por UGT e CC.OO. Durante todo este proceso as cifras manexadas non chegaron, nin de lonxe, ás daquel anuncio postelectoral de Feijóo. Así o ratifica o decreto aprobado polo Consello da Xunta este 27 de decembro de 2019, máis de sete anos despois da promesa inicial.Sete anos despois, a Xunta convoca 1.424 prazas para tornar persoal laboral fixo en funcionario e prevé celebrar as probas antes das elecciónsTal e como especifica o Goberno galego, as convocadas desta volta son 1.424 prazas para tornar persoal laboral fixo en persoal funcionario. As probas celebraranse antes das eleccións galegas de 2020, agás adianto. As previsións pasan por chegar a unhas 2.177 en seguintes convocatorias. Participar neste cambio de categoría é voluntario, se ben "o 95% do persoal laboral fixo que presta servizos na Xunta solicitou acollerse o pasado ano a este proceso".Para culminar a mudanza, as persoas que participen na funcionarización deben realizar "unha proba de características diferentes ás establecidas para un proceso selectivo ordinario". Trátase dun concurso-oposición no que a antigüidade ten un peso crucial (40%) e no que, para a parte do exame, a Xunta publicou de antemán as diferentes baterías de preguntas dos exercicios, aos que as persoas participantes poderán acudir cos apuntamentos que desexen. O Goberno galego subliña que esta menor dificultade na proba é concedida porque "o procedemento non ten por obxecto o acceso á Administración nin o ascenso de escala ou categoría, senón a transformación en funcionarios dos traballadores que xa teñen unha praza fixa na Administración" lograda por un proceso selectivo anterior. Ademais, acceden a unha "categoría equivalente" sen maiores retribucións. Atendendo á lei, "garántenselle as retribucións brutas que estaba a percibir como laboral fixo se estas son superiores ás que lle correspondan como funcionario mentres permaneza nese destino".A Xunta pactou o proceso con CC.OO. e UGT; do acordo desmarcáronse a CIG e CSI-FDeste proceso desmarcáronse dous sindicatos da función pública, CIG e CSI-F. A central nacionalista non comparte aspectos como o feito de que o cobramento do complemento da carreira profesional estea ligado á funcionarización, o que considera unha "chantaxe". CSI-F, pola súa banda, defendeu aspectos como que "o sistema selectivo" da funcionarización "non debera consistir nun exame" a persoal que "xa superou procesos selectivos tan duros e complexos como os de calquera empregado público", senón "nun curso selectivo de formación e avaliación continua" con coñecementos "relacionados co corpo e escala de acceso".Dende os sindicatos críticos co procedemento subliñan que a Xunta aposta pola funcionarización para aforrar custos como as cotizacións por desemprego do persoal laboral. Desbotan, ademais, que as sucesivas convocatorias poidan chegar a sumar as 6.000 persoas anunciadas por Feijóo en 2012; isto non sucederá, entre outros motivos, polo gran número de membros do persoal laboral fixo que se achegan á idade de xubilación, subliñan. Entre o persoal tamén se advirten vantaxes, como o feito de que o persoal funcionario fica fóra do risco de despedimentos colectivos de persoal laboral ao que abriu a porta o Goberno de Rajoy nun dos paquetes de recortes de 2012. |
NOS_47178 | Pontevedra terá un goberno de coalición en base o acordo asinado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, en nome do BNG, e o vindeiro tenente de alcalde, Tino Fernández, polo PSdeG. O pacto dará estabilidade á corporación e permitirá continuar o modelo de cidade impulsado polo Bloque e que desde o PSdeG tamén aseguran partillar. | A cidade do Lérez contará cun goberno "nacionalista e progresista", afirma no prólogo o acordo acadado polo BNG e o PSdeG de cara á constitución da corporación municipal de Pontevedra que se celebrará este sábado 15 de xuño. O acordo, redactado a modo de programa e compromiso, foi asinado polo alcalde en funcións e candidato á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, en representación do BNG, e polo aspirante do PSdeG, Tino Fernández, quen será tenente de alcalde. Para Miguel Lores trátase dun "bo acordo" que recolle "o mellor" dos programas de ambas formacións Ambos manifestaron a vontade de que a coalición dure todo o mandato. A mesma estará rexida polos principios de lealdade e respecto mutuo, conformando un "goberno único sen prexuízo da autonomía nas áreas de xestión" nunha "actuación coordinada". O diálogo será continuo entre ambas formacións e comprométense a resolver "polas vías estabelecidas" as posíbeis discrepancias e, para tal fin, haberá unha comisión paritaria de seguimento. Para Tino Fernández o pacto alcanzado marca unha folla de ruta clara para afondar nun proxecto de cidade no que ambos partidos cremos profundamente Para Miguel Lores trátase dun "bo acordo" que recolle "o mellor" dos programas de ambas formacións. Segundo Tino Fernández o pacto alcanzado marca "unha folla de ruta clara, equilibrada e compensada para afondar nun proxecto de cidade no que ambos partidos cremos profundamente". O Bloque Nacionalista Galego gobernou os últimos catro anos en solitario, mais desta volta optou por alcanzar o pacto co PSdeG. Nas eleccións do pasado 26 de maio, o BNG resultou forza máis votada en Pontevedra, afianzando o seu modelo de cidade e obtendo 11 actas, unha menos que en 2015 debido a perder 83 votos. Como segunda forza situouse o PP, que subiu de sete a nove edís e logrou o 30% dos apoios. O PSdeG subiu tamén dos tres aos catro edís e fíxose co 14% do voto, mentres que Ciudadanos mantivo a súa acta. Marea de Pontevedra perdeu as dúas actas con que contaba e quedou no 3,5% do voto. Compromisos acadados O acordo de goberno asinado por BNG e PSdeG sinala que o goberno municipal rexerase polos principios de "cohesión social, respecto pola nosa identidade, equilibrio territorial, equidade, políticas redistributivas en beneficio das persoas con maiores dificultades e limitacións, fomento da igualdade real, posta en valor dos nosos recursos naturais e culturais, respecto pola diversidade". Ambas formacións demandan no acordo o uso público para o edificio de Facenda e para o Hospital Provincial, así como manter unha política de oposición frontal á permanencia de Ence na ría de Pontevedra e "impulsar todas as medidas para conseguir o seu traslado". O acordo tamén recolle a aposta en potenciar os servizos sociais e aplicar medidas para a creación de emprego O acordo tamén recolle a aposta en potenciar os servizos sociais e aplicar medidas para a creación de emprego. Ademais, avógase por aprobar un novo contrato de lixos que inclúa a universalización da recollida separada dos residuos urbanos cun sistema de tratamento baseado na compostaxe. Así mesmo, o acordo feito público por ambas formacións prioriza para este mandato lograr un avance nas infraestruturas dependentes da administración central como a autovía A-57, a remodelación do cruce de Bombeiros e o paseo até Marín. Tamén persegue lograr o impulso das infraestruturas e dotacións dependentes da Xunta, en especial o Hospital de Montecelo, a variante de Alba, a residencia da terceira idade, a estrada de Vilagarcía, o saneamento integral da ría e a dragaxe do río e da ría. No pacto de goberno tamén se inclúe a aposta en elaborar novas ordenanzas de mobilidade e protección animal No pacto de goberno tamén se inclúe a aposta en elaborar novas ordenanzas de mobilidade e protección animal, implantar carrís bici en vías que o permitan, reorganizar o transporte urbano en coordinación coa Xunta, a creación de novas infraestruturas deportivas e o aumento de axudas aos clubs e reforzo da programación cultural. |
NOS_39826 | Este sábado, a partir das 20.30 horas, enfrontarase en Catalunya ao Igualada, e dúas xornadas despois, ao Barça no Palau Blaugrana. | O Deportivo Liceo xa conta as horas para a súa estrea nunha nova tempada da OK Liga de hóckey. Este sábado, a partir das 20.30 horas, enfrontarase en Catalunya ao Igualada. Tan só dúas xornadas despois, na terceira, chegará o duelo de maior emoción no campionato, o partido ante o Barça no Palau Blaugrana. A pandemia, como no resto de deportes, será un condicionante nesta campaña que comeza e na que a Copa do Rei xa foi cancelada. A OK Liga conta este ano con 16 equipos, dous máis que a anterior despois de se acordar que non houbese descensos, mais si respectar os ascensos do Mataró e do Vendrell. Nun deporte onde os equipos cataláns son hexemónicos, isto suporá un maior gasto económico debido ás continuas viaxes á outra beira da Península. O Liceo traballa ademais para se permita o acceso de máis de 300 persoas ao Pazo dos Deportes, xa que o público é outra importante fonte de ingresos. Altas e baixas O obxectivo do Liceo é ir a máis, a pesar das dificultades que se albiscan, nunha liga que será moi complicada. Para isto, o club coruñés fichou dous xogadores de calidade contrastada: César Carballeira, que xa fora xogador do Liceo hai dous anos e que regresa esta tempada desde o Reus, e Jordi Adroher, un veterano que estaba a xogar até agora nas ringleiras do Benfica. A respecto das baixas, Facu Bridge e Fabri Ciocale foron cedidos para que atopen maior protagonismo. Tamén sae Bruno di Benedetto, que non contaba con demasiados minutos baixo as ordes de Juan Copa. Nunha recente entrevista, o máximo responsábel do equipo liceísta asegurou que a motivación do equipo era moi alta. Das incorporacións de Carballeira e Adroher dixo que "César é da casa e está onde debe estar, nunha posición que necesitabamos", e "Jordi é un xogador top que achegará veteranía e bóla parada, dous aspectos que cumprían". "Tecnicamente é o mellor do mundo", salientou deste último. O rival do sábado, o Igualada, é un histórico do hóckey que este 2020 fai 70 anos da súa fundación. No palmarés do club catalán figuran cinco Ligas, dúas Copas do Rei, seis Copas de Europa e cinco Copas Continentais. Non obstante, non vive na actualidade o seu mellor momento, e o Liceo ─un dos catro grandes da competición canda o Barça, o Reus e o Noia─ parte como claro favorito a se facer co triunfo. |
NOS_45183 | A Casa da Cultura acolle este sábado unha homenaxe a 'O Rata' organizada pola SCD O Condado. Música, poesía, convivio, independentismo, camaradaxe, amizade...todo isto e moito máis nun programa para un activista de traxectoria tan ampla como a súa xenerosidade. | Manolo Soto 'O Rata' marchou no 5 de febreiro de 2013, hai un ano. Un pasamento que tinxiu de loito ao tecido activista deste país, consciente da débedas que tiña con este militante da ilusión que ergueu proxectos e iniciativas para construír un país. Este sábado, 8 de febreiro, a partir das 19:00 horas, a Casa da Cultura de Salvaterra acollerá unha ampla e completa homenaxe, organizada pola SCD O Condado e baixo o nome 'Soto, sempre connosco' Un acto no que se xunguirá poesía, música, irmandade, teatro, convivio, compromiso... a recrear ese Festival de Poesía do Condado que tanto e tanto lle debe (a el e a outros). Aos que gosten de nomes: Os Cuncheiros, Comité de Empresa de CEMSA, Manolo Pipas, Tino Baz, Antom Árias Curto, Nolim González, Tanxerina, Viale Moutinho, Xosé María Álvarez Cáccamo, A Quenlla, Nós-up, Marta Dacosta, Colectivo O Xestal, María do Carmo Kruckenberg, Brais González, Xurxo Souto, Iñigo Aranbarri, Kiko Neves, Daniel Salgado, Uxía&Grupo, Pepe Carreiro, Xaquín Marín, Ignacio Hortas, Xosé Lois `O Carrabouxo, Liska!, O Son da Triga, Leo Arremecághona... Todos eles, e moitos máis, tomarán parte nun acto que quere manter viva a memoria e exemplo deste activista cultural e militante independentista. |
NOS_25477 | O dramaturgo Pablo Remón presenta dúas obras diferentes | A XXXVI Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia encara a súa derradeira fin de semana presentando unha retrospectiva sobre o dramaturgo e director Pablo Remón con dous dos seus últimos espectáculos. Producidos por Teatro Kamikaze, poderán verse o sábado 25 (Dona Rosita anotada) e o domingo 26 (Soños e visións de Rodrigo Rato), ás 23 horas no Auditorio do Castelo. Pola súa banda, o colectivo Azkona & Toloza achegou durante a noite de onte a súa celebrada montaxe Terras do Sud, "unha impactante peza visual e documental que aborda a barbarie do colonialismo contemporáneo". Ao longo desta derradeira fin de semana do certame, o público poderá gozar, así mesmo, dos espectáculos de rúa Copyleft, de Nicanor de Elia; Pink Unicorns, da Macana; e Distans, da compañía Vol'e Temps, dentro do ciclo Ruadavia, na Alameda Finalmente, a segunda feira 27 de xullo, ás 12 horas, terá lugar o acto de entrega do Premio Abrente, ademais dun encontro coa Asociación DramaturGa e o anuncio do espectáculo gañador do Premio do Público nesta XXXVI edición da MIT, que se pode votar a través da web oficial do festival: www.mitribadavia.gal Un festival que se adaptou aos novos tempos Este 2020, baixo o lema A ceo aberto: liberdade, creatividade e diversidade, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ofreceu ao público asistente un total de 24 espectáculos e actividades paralelas, como presentacións de libros e obradoiros ao aire libre en máis dunha ducia de espazos con encanto, como o Auditorio do Castelo, e con nomes destacados como Teatro en albas ou Nova Galega de Danza. Para facelo posíbel, desde a organización tiveron que deseñar unha estratexia asentada en espectáculos gratuítos de rúa, con asento preasignado previa recollida da correspondente invitación, tal e como estipula a normativa vixente en materia de prevención sanitaria contra a Covid-19. Artes de circo, danza, teatro de obxectos e narración oral encheron así de acción a capital do teatro da Galiza neste mes de xullo, con artistas como o franco-arxentino Nicanor de Elia, os devanditos Vol'e Temps, Xampatito Pato ou A Macana. |
PRAZA_10969 | Transportistas, veciñanza, persoal de industrias auxiliares ou alcaldes mobilízaronse na Coruña pedindo unha descarbonización "regulada e ordenada" e a volta á actividade nas instalacións | Medio milleiro de persoas mobilizáronse na Coruña para esixir "garantías de emprego" para o persoal da central térmica das Pontes, logo de cinco meses de inactividade, e pare reclamar que Estado e Xunta se "impliquen" na procura de solucións. Transportistas, veciñanza, persoal de industrias auxiliares ou alcaldes mobilízaronse na Coruña pedindo unha descarbonización "regulada e ordenada"Persoal de indutrias auxiliares, veciñanza das comarcas máis afectadas, alcaldes dos concellos da zona e transportistas, que colapsaron o tráfico con 130 camións, mobilizáronse na Coruña ante a Delegación do Goberno pedindo un proceso de descarbonización "regulado e ordenado" e que o cambio de modelo produtivo "inclúa garantías de emprego". Así o aseguraron Alberte Amado, da CIG, ou José Furtado, de CCOO, que instou a "mollarse" a Goberno central e Xunta. Desde UGT, Javier Carreiro considera "prioritario ter unha reunión con Endesa e implicar o Executivo galego". O alcalde das Pontes e tamén presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e representantes sindicais reuníronse co delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, que lles asegurou que serán recibidos pola ministra de Transición Ecolóxica en funcións, Teresa Ribera, a finais deste mes, unha noticia que deixa "satisfeito" ao rexedor pontés por lograr ese "pequeno obxectivo". "Non ten sentido que a unha central que decidiu investir para adaptarse á normativa ambiental europea non se lle dea ningunha oportunidade", queixouse. "A vida de 650 familias está en risco e hoxe é unha mostra do que pode pasar de aquí en diante", di González FormosoAdemais, denunciou o "inxusto" do sistema actual europeo sobre custos de dereitos de emisión para aclarar que o persoal que protesta é "considente de que o carbón é unha fonte de enerxía en extinción" pero que os cambios de modelo deben facerse "paulatinamente". "A vida de 650 familias está en risco e hoxe é unha mostra do que pode pasar de aquí en diante", dixo. A Endesa, pediulle "compromiso na procura de solucións" e que "espere a que o Ministerio mova ficha" e a unha mesa de traballo que se activará axiña. "Haberá que ver ata que punto o Ministerio está disposto a avalar a posible incorporación de biocombustibles que substitúan o carbón", engadiu. Ao tempo, os transportistas advertiron dos problemas económicos que neste colectivo provoca a actividade da planta, ao igual que persoal das empresas auxiliares. Entre os políticos presentes, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, que asegurou que o Goerno central "ten ferramentas para garantir a viabilidade da central". Imaxe close delete_forever swap_vert Por outra banda, e tras a reunión mantida con representantes sindicais, o delegado do Goberno, Javier Losada, reclamou "unidade de acción" para afrontar o proceso de transición enerxética e asegurou o Executivo central traballará con Endesa "para que a central teña capacidade para afrontar a diversificación da súa actividade, circunstancia que se entende, ademais, vital para o futuro da propia comarca para que desta maneira non só dependa do carbón", explica nun comunicado.Na pasada semana, o Parlamento galego aprobou unha proposición non de lei presentada polo PPdeG na que se instou a xunta a reclamar ao Goberno central que tome medidas para que a central de Endesa nas Pontes poida volver funcionar. Entre elas incluíase a petición para que se retire o céntimo verde que grava a produción de enerxía con carbón, nunha iniciativa que contou cos votos favorables de PSdeG e BNG e cos contrarios de Común da Esquerda e o grupo mixto. O Parlamento, cos votos de PP, PSdeG e BNG, aprobou unha iniciativa que insta a Xunta a reclamar ao Estado que tome medidas para que Endesa volva funcionarNo fondo, o eterno debate. Así, a plataforma Galiza, un futuro sen carbón amosou o seu rexeitamento á iniciativa parlamentaria do PP e lembrou que "non propón medidas de protección dos traballadores senón axudas económicas e exencións fiscais a demadar ao Goberno estatal para favorecer a xeración de cambio climático na central de carbón das Pontes", que será a única activa en Galicia despois do peche da central de Meirama en 2020, decidido pola súa propietaria Naturgy.A plataforma advirte de que "é posible, ademais de urxente e necesario, o peche planificado da central de carbón das Pontes, a máis tardar en 2025". E lembra, ademais, que a eléctrica, con xa 40 anos de actividade, "é a industria situada en Galicia que provoca maior impacto ambiental negativo dentro e fóra do noso territorio". "En 2018 volveu estar entre as 20 maiores industrias emisoras de dióxido de carbono (CO2) da UE. Unhas emisións que non reducirá a reforma da que está a ser obxecto para se adaptar, con catro anos e medio de atraso, á Directiva de Emisións Industriais (DEI), que non afecta ao CO2, principal gas de efecto invernadoiro causante de cambio climático", din. |
PRAZA_14195 | O candidato do BNG á Xunta reclama que o Goberno galego se persoe na demanda da Fiscalía e lle proporcione máis medios ao xulgado da Coruña que a instrúe. Vídeo no interior. | "Poñerse do lado dos estafadores" ou "do dos estafados". Esta é a disxuntiva á que, en opinión do candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, debe responder Alberto Núñez Feijóo de maneira inmediata. O vindeiro xoves o Congreso dos Deputados convalidará o decreto da nova reforma financeira do Goberno central que, entre outros aspectos, expón a boa parte das persoas afectadas por esta "estafa" das antigas caixas galegas a unha quita, isto é, a unha perda de "entre o 60% e o 80%" dos seus aforros. E Feijóo, di o cabeza de cartel dos nacionalistas, non pode "eludir a súa responsabilidade", nin como actual xefe do Executivo galego nin tampouco como presidente do PPdeG, xa que no Congreso sentan tamén parlamentarios deste partido aos que o aspirante á reelección, di Jorquera, debera "demandarlles que voten en contra". Jorquera esixe que a Xunta recorra o decreto porque "invade competencias" de Galicia Pero xunto a esta habitual petición, cuxas posibilidades de cumprimento tenden a ser nulas, o nacionalista esixe tamén medidas dende a Xunta. Despois de recibir na sede nacional do Bloque a un grupo de persoas afectadas por estes produtos financeiros complexos, os cales, din, lles foron ofrecidos como vías para o aforro e non para o investimento de risco, Jorquera advertiu de que en San Caetano si teñen vías para opoñerse ao que considera unha "expropiación" á que serán sometidas as que xa son "vítimas dunha estafa". En canto se aprobe o decreto e, polo tanto, a quita, di, a Xunta debe recorrelo ante o Tribunal Constitucional por violar preceptos da Carta Magna española e, ademais, por "invadir competencias" propias de Galicia. Esta non é, en opinión de Jorquera, a única ferramenta na man de Feijóo. O presidente, di, debe dar as ordes pertinentes para que o seu Goberno se "persoe" na demanda que a Fiscalía Superior de Galicia ten interposta a causa desta estafa e facelo "en defensa dos milleiros de estafados". Do mesmo xeito o candidato do BNG diríxese ao conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, para que en uso das súas competencias en materia de Xustiza "dote de máis medios ao xulgado número 11 da Coruña", que instrúe a demanda, co obxectivo de que os traballos se poidan desenvolver con maior axilidade. Todos os "compromisos" que Francisco Jorquera lle reclama a Feijóo neste ámbito son os mesmos que o BNG, afirma, xa "asumiu" non só ante os propios afectados e afectadas, senón ante "toda a sociedade galega". |
NOS_38064 | Onte confirmáronse varios casos illados en catro Estados europeos: no croata, no austríaco, no suízo e no español. Todos relacionados co brote no norte de Italia. | A COVID-19, a enfermidade que provoca o coronavirus SARS-CoV-2, continúa a propagarse polo mundo. Tras os grandes brotes, fóra da China, do Irán e de Italia, os casos abrollan con contagotas noutros países. Onte confirmáronse varios en catro Estados europeos: no croata, no austríaco, no suízo e no español. Neste último, un hotel en Tenerife cuns mil hóspedes permanece en observación tras dar positivo un cidadán italiano; tamén en Cataluña se rexistrou outro: unha muller que viaxou recentemente ao norte de Italia. No Estado español hai un total de sete casos, todos eles relacionados dunha ou outra maneira con Italia "Se abordamos a situación cunha mentalidade excesivamente dramática, de alarmismo, de pánico social, o resultado obviamente será de confusión e de efectos negativos que non nos axudan". Son declaracións de onte do primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte, tras reunirse co equipo científico da Organización Mundial da Saúde (OMS) desprazado até Italia para axudar na contención do coronavirus. A propagación do virus leva parello un estado de histeria e psicose colectiva que, por exemplo en Italia, fixo que farmacias e supermercados quedasen sen existencias de produtos básicos como papel hixiénico. Tamén, na illa de Tenerife (As Canarias), as máscaras ─que só son útiles para as persoas contaxiadas, tal e como repiten os expertos─ esgotáronse. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube. |
NOS_55830 | Acumúlanse centos de xuízos suspendidos mentres desde o goberno galego non hai ningún movemento para reactivar a negociación. | Segunda xornada de greve para os 2.500 traballadores e traballadoras da administración de xustiza en Galiza e o seguimento volveu ser masivo, ao igual que no primeiro día, segundo os sindicatos. É dicir, por riba de 90%. "Como na primeira xornada, o paro é case total", indica a Sermos Galiza Pablo Valeiras, un dos portavoces da plataforma sindical que convocou o paro indefinido que arrincou este 7 de febreiro. Na primeira xornada suspendéronse por volta de 700 xuízos e miles de trámites non puideron realizarse. Unhas cifras que se repetirán neste segundo día de greve. "Aínda se están a suspender máis xuízos que onte", indica Valeiras. Son xa varias as voces que advirten do risco de "colapso", e indican que hai xuízos que xa se aprazan até abril. E mentres se dá este escenario, desde o goberno galego non se dan pasos para retomar as negociacións. "Nada de nada", confesa Valeiras á pregunta se desde a Xunta se puxeron en contacto con eles desde o inicio da greve. Os sindicatos lembran que "isto non é unha reclamación económica, esta é unha reclamación contra a discriminación que temos os traballadores da xustiza galega fronte ao resto de traballadores da xustiza no Estado. A día de hoxe, os traballadores da xustiza galega estamos discriminados a nivel sanitario fronte a maxistrados, fiscais, secretarios. En baixas por gripe, varicela ou sarampelo eles non teñen ningún tipo de desconto e a nós descóntannos 50%. Pero os traballadores dos outros territorios do Estado tampouco teñen descontos pola gripe. Nós si". |
NOS_55111 | BBVA e Sabadell comezaron a semana anunciando negociacións para unha posíbel fusión que no caso da Galiza tería moito máis impacto que a de Caixabank e Bankia. A entidade resultante podería situarse por detrás de Abanca e Santander en número de oficinas, cunha cota de mercado no país próxima a 20%. | BBVA e Sabadell anunciaron esta segunda feira o inicio das negociacións formais para unha posíbel fusión. De momento, haberá que agardar para coñecer os detalles da mesma. O conselleiro delegado do Sabadell, Jaume Guardiola, indicou que "nas próximas semanas podería haber noticias sobre o resultado das conversas con BBVA" para unha eventual fusión que daría lugar a unha entidade cuns activos globais de 963.108 millóns de euros, dos que 596.481 corresponderían ao mercado español, onde superaría a Santander como segunda entidade, só por detrás da fusionada Bankia-Caixabank. Ao contrario do que acontece con esta última, a fusión dos negocios de BBVA e Sabadell, entidade que en 2013 se fixo co Banco Gallego, si tería consecuencias salientábeis na Galiza. A unión de ambas conformaría unha entidade que controlaría preto dunha quinta parte do mercado galego. Segundo as estimacións de Credit Suisse, arredor de 20%. Quedarían aínda a moita distancia de Abanca e Santander ─herdeira do Banco Pastor─, mais a súa rede, que suma máis de duascentas oficinas na Galiza, podería verse drasticamente reducida após a fusión. Moitas duplicidades Segundo explica a Nós Diario o secretario da sección sindical da CIG no BBVA, Miguel Fernández, a fusión pode afectar "moi negativamente" a Galiza. Por unha banda polo feche de oficinas. "Con cada fusión son maiores os territorios que quedan á marxe dos servizos financeiros", denuncia. Ademais, entende que estes movementos "só benefician as grandes empresas, as multinacionais e grandes accionistas", mentres a clientela ve como as entidades restrinxen e encarecen os servizos financeiros, en especial as persoas autónomas e as pemes no que atinxe ao aceso ao financiamento. No caso do BBVA e o Sabadell, con 253 oficinas comerciais na Galiza (146 do BBVA e 97 do Sabadell), prodúcense duplicidades en 91 nun total de 54 prazas, con maior incidencia nas grandes cidades. Segundo os cálculos da CIG "fecharán as oficinas duplicadas máis o 30%", o que deixa o "terríbel" dato de máis dun cento de oficinas que desaparecerán após a hipotética fusión de ambas as entidades. Estes feches levarán consigo "medidas traumáticas", xa que, como explica Miguel Fernández, "a idade do persoal non dá pé a que haxa moitas prexubilacións". "Coas fusións 1+1 nunca suman dous", lamenta. E a todo isto hai que engadir o feito de que as entidades seguirán acometendo fechamentos de oficinas na Galiza antes de que se materialice a hipotética fusión. Salvar a territorial a Galiza, a fusión entre o BBVA e o Sabadell leva aparellada unha disputa territorial, nunca mellor dito. Ambas as entidades dividen o seu negocio en zonas. No caso do norte da península unha oficina territorial controla Galiza, Asturias e Castela e León, tanto no BBVA como no Sabadell. O problema é que a do BBVA está na Coruña e a do Sabadell en Oviedo. A coruñesa ten moito máis peso en persoal, de aí que desde os sindicatos consideren "fundamental" manter a territorial noroeste do banco fusionado na Galiza. Neste senso, o secretario da CIG en BBVA, Miguel Fernández, explica que dun cadro de persoal de 867 traballadores na Galiza, unha alta porcentaxe traballa na Coruña, en parte polo feito de que alí están os servizos centrais. Na súa opinión, mantelos na Galiza "parece que é o máis lóxico, porque son os que máis xente teñen". Menos oficinas Como apunta Jorge Villarino, secretario xeral da agrupación do sector financeiro de CCOO-Servizos, "esta operación, de cristalizar, non vai ser mañá. Aínda ten que concluír a due dilligence, someterse aos consellos de administración e ás respectivas xuntas xerais de accionistas, ademais de agardar polas autorizacións dos organismos reguladores". De aí que cada unha siga adiante cos plans que xa tiñan marcados. No caso do BBVA, a propia entidade confirmou hai una semana que mantiña a súa intención de fechar 160 oficinas no Estado español antes de final de ano. Mais coa fusión os plans poden mudar, como demostra o feito de que o Sabadell decidise suspender a negociación cos sindicatos para acometer axustes no seu cadro de persoal, que no caso da Galiza traduciríase na saída dun máximo de 45 persoas, na medida do posíbel a través de prexubilacións. Desde UXT, o seu secretario xeral, Pepe Álvarez, pon o acento na dixitalización, que tamén vai traer máis feches de oficinas e aumentar a exclusión financeira. "A fenda dixital que se pode producir no noso país non só entre zonas urbanas e rurais, senón tamén entre as persoas maiores que non teñen acceso ao sistema dixital, pode ser absolutamente difícil de saltar", advertiu Álvarez. Por iso, avogou por "democratizar" a dixitalización para que chegue a todas as capas sociais e a todas as persoas, con independencia da súa idade. Loita pola clientela Nesta liña, o conselleiro delegado do Sabadell, Jaume Guardiola, anticipou que no medio prazo o sector bancario librará "unha gran pelexa" por converterse no banco principal, e mesmo exclusivo, da clientela. "O número de bancos por cliente cada vez será máis pequeno", afirmou, e estes premiarán con comisións baixas ou nulas a clientela máis vinculada. "Isto vai acabar producindo unha gran pelexa por ser o banco principal do cliente e, a medio prazo, atrévome a dicir que o exclusivo", incidiu o directivo do Sabadell. |
NOS_45285 | En 2014 o BNG concorreu con EH Bildu ás eleccións ao Parlamento europeo sob o lema de Os pobos de Europa. Daquela non callara a alianza con forzas soberanistas catalás. O Bloque quer agora corrixir esa eiva e formula como proposta unha entente trilateral. A Executiva da formación nacionalista submete esta iniciativa ao debate das asembleas comarcais. | Unha coalición electoral con forzas soberanistas das tres nacións sen estado —Galiza, Euskadi e Catalunya—. Esa é a proposta que a Executiva Nacional do BNG traslada ás asembleas comarcais da organización frentista, para fixar a fórmula de concorrencia ás eleccións europeas, axendadas para o 26 de maio. A proposta de resolución que se submeterá á consideración das bases da formación soberanista ten tres peares. O primeiro, o de que o BNG vai impulsar unha coalición trilateral. O segundo, que a alianza terá un "carácter instrumental", o que significa que "o Bloque desenvolverá a súa propia campaña, co seu programa específico e con candidat@s propi@s en función exclusiva dos intereses de Galiza". O terceiro, que a entente ten de asumir como principios "a defensa de Galiza como nación", ben como o seu dereito a decidir e a "defensa dos intereses do país, da súa capacidade produtiva, de xeración de riqueza e emprego digno na terra". A alianza tamén debería visar —entende a Executiva Nacional do BNG— combater "o modelo ultraliberal da Unión Europea" e defender no seu canto "a cooperación entre os pobos en pé de igualdade". O BNG xa fixo movimentos sobre o taboleiro para que desta volta a entente trilateral sexa posíbel, a diferenza do que aconteceu en 2014. Así llo explicita o Bloque á súa militancia por medio dun escrito en que a dirección da formación nacionalista afirma que, por mandato do Consello Nacional, "leva meses mantendo unha interlocución continuada con organizacións soberanistas de Euskadi e Catalunya, co fin de promover unha actuación conxunta de cara ás vindeiras eleccións europeas". No escrito, a dirección do Bloque salienta que a converxencia coas outras nacións sen estado responde a unha "aposta estratéxica" que o nacionalismo veu facendo desde hai case un século e que vai alén da pura conxuntura electoral. O BNG estima como positiva a fórmula de 2014 —o acordo con EH Bildu—, mais á vez entende que agora é o momento de darlle pulo a "unha alianza máis ampla, das tres nacións". |
PRAZA_11798 | Para a administración Feijoniana o territorio semella ser ese elemento que acubilla a artificialidade construída polo ser humano e carece de calquera outra faciana: supón un conxunto de atrancos medidos en toneladas de terra, cemento e asfalto precisos para dobregalos. | O eixo básico dun concepto do territorio pensado dende a sustentabilidade é a transversalidade: atender e integrar os distintos enfoques e necesidades mantendo unha ollada global sobre o conxunto, do amplo ao concreto. A súa finalidade debe ser ordenar, protexer, conservar e recuperar. O territorio é físico, mais tamén ambiental, cultural e sen dúbida afectivo cunha realidade que cumpre non esquecer: o territorio compartímolo con outros seres vivos. Mais para a administración Feijoniana o territorio semella ser ese elemento que acubilla a artificialidade construída polo ser humano e carece de calquera outra faciana: supón un conxunto de atrancos medidos en toneladas de terra, cemento e asfalto precisos para dobregalos. Só así podemos entender a voracidade lexislativa-destrutiva desta administración, que en tres anos tenlle metido man a practicamente toda a lexislación do territorio existente. Mais non só iso, senón que esta desfeita tense desenvolvido dun xeito caótico, mesturando plans de ordenación con directrices, planos sectoriais con leis, reformas con luz e taquígrafos con outras agochadas. O ano da súa toma de posesión é paradigmático do que ven facendo toda a lexislatura. Ao longo dese ano puxo en marcha ou aprobou tres planos sectoriais como son o Plano Galego de Acuicultura (primeira medida: permitir unha macropsicifactoría en Cabo Tourriñán), Plan Sectorial de Solo Empresarial de Galicia e Plan Move; un plano de ordenación (Plano de Ordenación do Litoral), unha modificación da lei do solo, puxo en fase de redacción unha nova lei do solo e anunciou unha nova lei de montes. Todo sen ter aínda aprobadas as Directrices de Ordenación do Territorio, fito que non se deu ate o primeiro trimestre de 2011. É dicir, elaboramos proxectos e aprobamos planos con grande incidencia no territorio sen termos fixadas previamente as directrices que deben guiar calquera intervención sobre este. De aí continuamos, desta vez por camiños máis escuros, na desprotección co intento da Consellería de Agustín Hernández de aproveitar o proxecto de lei de acompañamento aos orzamentos 2011 para eliminar 6 categorías de solo rústico protexido, deixando só dúas e estas coa salvidade de que excepcionalmente, poderían autorizarse "as actuacións precisas para a implantación de infraestruturas, dotacións e instalacións". Cando sae á luz pública a nova rectifica, aludindo a un erro de redacción, e deixa a modificación na eliminación dos solos rústicos de protección agropecuaria o forestal para permitir a instalación de industrias. O seguinte paso é a nova Lei de Montes, actualmente en fase de tramitación, no que entra de cheo no aspecto "produtivo" forestal. Así, temos que posibilita a recualificación de terras agrícolas, ate o de agora protexidas en forestais, afogando aínda máis o acceso a terra cultivábel e reducindo a nosa capacidade de produción agraria, en aras de supostamente potenciar os cultivos agroenerxéticos. Tamén, como non podía ser menos, hai que botarlle man ao buque insignia da protección como é a Rede natura. Por obrigas legais marcadas por directivas europeas, que non por gusto estou seguro, a Xunta presentou o seu proxecto de ampliación da Rede Natura. Actualmente está en exposición pública, mais xa chama a atención a afirmación do daquela Conselleiro de Medio Rural de que a ampliación "foi coordenada coa Consellaría de Economía". Será por iso que van aparecendo buracos desprotexidos onde hai solicitudes de proxectos eólicos. Véxase así a Serra da Groba, no que parte do parque eólico proposto ficaría a escasos 500 metros do Lugar de Interese Comunitario que se pretende crear e outra parte fica encaixada entre este futuro LIC Serra de Groba e o de Oia. E por suposto, seguen a recuperarse proxectos mineiros (canteiras na Serra de Enciña da Lastra) e de centrais hidroeléctricas (río Loio). O seguinte paso é afondar na desfeita por vías indirectas como a nove Lei de Industria que recolle que os proxectos considerados "estratéxicos" quedan exentos de grande parte dos requisitos ambientais e permite a súa instalación en solos rústicos e de especial protección, espazos protexidos e de alto valor paisaxístico. Para ser "estratéxico" cumpre investir 50 millóns de € e crear 250 postos traballo. Que coincidencia! esas son as cifras que anuncia a empresa que pretende construír a nova incineradora no Irixo. Finalmente, tras modificar o modificable, cumpre legalizar o ilegalizable como son os milleiros de vivendas construídas en Barreiros (Lugo), fora do planeamento, sen as infraestruturas esixidas pola normativa, con licencias impugnadas pola propia Xunta en 2006 e declaradas ilegais segundo sentencias xudiciais. Non hai problema, facemos un convenio sectorial, aportamos 14 millóns de euros de cartos públicos para facer as infraestruturas non acometidas polas construtoras e legalizamos a desfeita. E como novo convidado a este aquelarre lexislativo entra en escena o novo goberno amigo en Madrid, cuxa primeira medida é a revisión da Lei de Costas coa intención de modificala en profundidade, segundo palabras do ministro Arias Cañete. Sen dúbida, Ence-Elnosa agarda expectante o resultado. E así, paso a paso imos desmontando a xa de por si escasa protección do territorio e desbaldimos irremediablemente o que fai parte inseparábel da nosa condición de seres vivos, da nosa cultura e da nosa realidade persoal e colectiva: o espazo físico que habitamos. Ao peche deste artigo, o presidente da Xunta anunciaba en rolda de prensa a presentación de 23 novas leis ante o remate da lexislatura entre as que estarán a Lei de montes, a Lei de vivenda, a Lei da industria marítima e a Lei de acuicultura. Que sorpresas traerán nos seus artigos? |
NOS_49964 | Centos de persoas animáronse pasar polo fotomatón e retratarse dentro do proxecto A Muralla e ti, unha iniciativa da área de Cultura e Turismo do Concello de Lugo para conmemorar o XIX aniversario da declaración do monumento como Patrimonio da Humanidade. | O 30 de novembro do ano 2000, Lugo espertaba coa nova de que a Muralla fora declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Xusto 19 anos despois, este pasado sábado, a cidade bimilenaria celebrou o aniversario con dous concertos no Vello Cárcere: ao mediodía actuou a Banda Filharmónica Infantil, e á tardiña, Solo Voces, co seu Que o Camiño nos leve a atoparnos. Ademais, no último día do proxecto A Muralla e ti, máis lucenses pasaron polo fotomatón situado nos soportais da Casa do Concello para retratarse. O obxectivo 'construír' unha muralla coas caras das e dos habitantes de Lugo, que tal e como lembrou a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, «tiveron unha implicación clave para conseguir que a nosa Muralla fose declarada Patrimonio da Humanidade». Segundo o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, búscase «que todas as participantes completen, de xeito simbólico, a silueta da Muralla para conformar unha imaxe de integración entre o noso monumento e as persoas que gozamos da súa existencia». Mesa redonda, esta terza feira A Muralla e ti, que superou as expectativas de participación, é unha das iniciativas da área de Cultura e Turismo do Concello de Lugo para conmemorar o XIX aniversario da declaración do monumento como Patrimonio da Humanidade. Ferreiro animou a veciñanza de Lugo «a gozar da Muralla e asistir ás distintas actividades que celebran esta data tan sinalada para a cidade». Estas finalizarán a vindeira terza feira, 3 de decembro. O Auditorio do Vello Cárcere, a partir das 19 horas, será o escenario dunha mesa redonda e unha conferencia. A primeira, Implicación das institucións na consecución do recoñecemento da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade, estará moderada por Rubén Arroxo e contará coa participación de Branca Rodríguez Pazos, ex tenente de alcalde do Concello de Lugo, e Cándido López Castiñeira. A segunda, prevista para as 20 horas, correrá a cargo do historiador Adolfo de Abel Vilela, que falará de O dilema histórico da importancia da Muralla como monumento. |
NOS_22134 | Obradoiros de percusión, danza, circo e capoeira e mesmo concertos, e todo de balde, conforman o cartaz do BateBatuke 2013. No marco da V Xornada de Percusión Afrobrasileira, a mítica asociación de percusionistas da capital galega promete troula nos días 1 e 2 de xuño | Os primeiros dous días do mes de xuño terán lugar un conxunto de actividades "abertas ao público de todas as idades" de man de Trópico de Grelos, a emblemática a asociación de percusionistas de Compostela. Para celebraren o seu décimo aniversario, este ano propoñen un cartaz que oferta obradoiros de percusión, danza, circo e capoeira e mesmo concertos, no marco da V Xornada de Percusión Afrobrasileira. E todo de balde. Amais, para refrescar ao público, a organización propón unha sesión vermuth e xantares e ceas populares. Como desenlace do traballo anual desta asociación, o BateBatuke 2013 ten por obxecto difundir as súas actividades "entre o público da cidade de Compostela e de todo o territorio galego". Para levar o festival ao corazón da capital galega, un macrobloco de percusión (denominación brasileira) da escola Prucupá, xerme do proxecto, sairá da Alameda e percorrerá o casco antigo. Cómpre destacar tamén a presenza de Mario Pam, director no Brasil dunha coñecida banda de percusión, que será o encargado de guiar o taller musical. Canto ás actuacións nocturnas, a máis relevante é a do conxunto coruñés Chotokeu que, para as súas actuacións na rúa, rescatan o nome A Patxaranga, proxecto paralelo á súa banda á que se recorre cando "os medios técnicos e os espacio" non cumpren as condicións que require o espectáculo de Chotokoeu. Tamén esta confirmada a presenza do mago Charlangas, dos grupos Gicap e Iandé para os obradoiros de capoeira, do conxunto de percusión vigués Bloquinho Aperta, xa incondicionais do evento e da banda de percusións africanas de Arteixo, Perfusión. Todas estas activades porán de manifesto o lazos tecidos dende a Galiza até o Brasil e a África. |
NOS_50714 | Mais un semanario saído do forno: eleccións en Catalunya, de como a riqueza de Touro vai camiño de acabar agochada no Caribe, a islamofobia en Galiza, entrevistamos Montse Prado, percorremos a Galiza que aparece no Atlas de Al-Idrisi... Todo isto, e máis, xa na nosa loxa. | Dos catro grandes accionistas de Atalaya Mining, a multinacional que agora pretende reabrir a mina de Touro, tres aparecen nos Paradise Papers con filiais nas Illas Virxes Británicas, Bermuda e Delaware Bahamas, Estados sen riqueza mineira pero que son algúns dos paraísos fiscais máis famosos. 'De como a riqueza de Touro vai camiño de acabar agochada no Caribe'. 'A psicose jihadista agrava a islamofobia'. Tan só a través da web Stop Radicalismos e desde a súa posta en marcha, o Ministerio do Interior recibiu 4.761 denuncias anónimas. 'Burbullas de orixe galega'. Desde hai arredor de cinco anos, os viños escumosos de orixe galega veñen ocupando con cada vez máis frecuencia as mesas nestas datas. Trátase de escumosos de variedades autóctonas que xa non están relegados ao brinde. "Feijóo fai coa sanidade o que mellor sabe facer: privatizar". Entrevistamos Montse Prado, deputada do BNG e responsábel de Sanidade do grupo parlamentar nacionalista. Ten claro que. Feijóo sería unha máquina de privatizar que ve na sanidade unha mercadoría máis coa que facer negocios. Como paralo? "Erguendo unha fronte social en defensa da sanidade pública", enfatiza a parlamentar do BNG Lixeira mudanza posicional do PSdeG no taboleiro. E non en calquera asunto, senón no moi central do financiamento, tema en que, non hai moito, Leiceaga converxía argumentalmente con Feijóo. O PSdeG entende agora que coas municipais no horizonte cómpre marcar distancias. Cara ou cruz. Branco ou negro. Independencia ou 155. O momento político de Catalunya non deixa espazo para grises imposíbeis. As urnas terán que escoller entre empurrar, por forza democrática, a efectivización do referendo de independencia do 1-O ou reverter o procés soberanista. 'Putin, dúas décadas na Presidencia?' O mandatario anunciou a súa candidatura en 2018 para optar á reelección presidencial por seis anos. A defensa dun marco galego de relacións laborais sobardou o marco das voces que tradicionalmente o demandaron e defenderon (o nacionalismo) para sumar tamén outros actores políticos e sindicais que ven na garantía da prevalencia dos convenios negociados e asinados aquí sobre os estatais unha porta aberta á mellora das condicións das traballadoras e traballadores. 'Traballar e producir aquí, decidir aquí'. En Análise, 'A debilidade democrática das institucións económicas'. 'O Reino de Galiza no atlas de Al-Idrisi'. No que está considerado entre o século XII e o XIV o mapa máis preciso do mundo, elaborado polo máis importante xeógrafo do século XII, Abu Abd Allah Muhammad Al-Idrisi, recolle o Reino de Galiza. O ceutí mantén Galiza –espazo ocupado polo espazo cristián no territorio peninsular– e España –territorios do ámbito musulmán– como realidades diferentes. Ademais, non faltan as achegas e contribucións de Xoán Costa, Pilar García Negro, Nachortas e Tokio, Xavuer Queipo, Julián Bustelo, Iago Varela, Colectivo Xea, Lois Pérez, Mario Regeura, Andrés Castro, Pepe Barro. |
PRAZA_13669 | Pablo Penedo e Gabriel Del Carmen caeron nunha final moi igualada ante Canarias, os grandes favoritos. A parella feminina en categoría sub21 chegou aos cuartos de final | As seleccións galegas de volei praia regresan dos campionatos de España celebrados esta fin de semana en Murcia cun éxito na categoria masculina sub 19, na que Galicia obtivo a medalla de prata. Pablo Penedo e Gabriel Del Carmen caeron nunha final moi igualada ante Canarias, os grandes favoritos. Os galego pasaron primeiros de grupo despois de superar a Castela León, Aragón e Andalucía. En cuartos de final venceron sen problemas a Asturias 2 a 0, e conseguiron o seu billete para a final cun grande encontro ante Baleares. Na final, os galegos comezaron gañando o primeiro set de infarto (21-18). Os canarios, grandes favoritos do torneo, remontaron o partido, (21-14 no segundo set e 15-6 no definitivo). A prata é un gran resultado para Galicia, que suma a súa segunda medalla da tempada, despois de acadar o bronce no campionato sub17 celebrado a semana pasada en Punta Umbría. Galicia suma a súa segunda medalla da tempada, despois de acadar o bronce no campionato sub17 No resto das categorías, Galicia tivo unha actuación notable, sobre todo a parella feminina en categoría sub21 que chegou aos cuartos de final. As irmás Claudia e Blanca Rozas clasificárone para cuartos de final después de vencer a Aragón, Murcia e La Rioja. Nesta eliminatoria as lucenses atopáronse coa gran favorita del torneo, Canarias, que tivo que sufrir para superar a Galicia nun gran partido que finalmente caeu do lado canario 2 a 1 nun igualadísimo tie break (13-21/21-19/13-15). |
NOS_5862 | A reforma da demarcación e planta xudicial reforza a provincia como unidade administrativa e deixa unha única sede central situada nas capitais provinciais. | O anteproxecto de Lei do Poder Xudicial aprobado polo Consello de Ministr@s suprimirá as actuais demarcacións e creará catro partidos xudiciais deixando "sedes desprazadas" mais tamén dependentes das capitais de provincia. A proposta lexislativa saída do goberno español sinala que "só haberá un tribunal de instancia uniprovincial". Unha reforma que liquida a actual planta xudicial e arreda os tribunais de primeira instancia da cidadanía. Unha iniciativa que deixa as comarcas sen demarcación propia e convérteas en dependentes da capital provincial. Unha sede central nas capitais de provincia Desta maneira, provincias como Lugo, marcadas por unha forte dispersión poboacional e que na actualidade conta con 9 partidos xudiciais (Viveiro, Mondoñedo, A Fonsagrada, Becerreá, Monforte de Lemos, Sarria, Chantada, Lugo e Vilalba) pasará a contar cunha sede central situada na cidade amurallada. Tamén así, na provincia de Pontevedra, Vigo deixará de constituír un partido xudicial de seu para ser unha delegación do de Pontevedra embora o 61% dos procesos xudiciais da provincia se traten na cidade olíviva. É en Vigo --e en Compostela-- onde se está a artellar un movemento de resposta con maior celeridade. Na cidade olívica xa se constituíu unha asociación e @s xuízas e xuíces preparan un informe contra a proposición de Lei. "Non podemos ser unha sede delegada", denuncian. Pola súa banda, desde o Colexio de avogad@s da capital galega coidan que a aprobación da reforma sería "un retroceso de 50 anos". Segundo o goberno a reforma non suporá a desaparición de ningún xulgado mais estes pasarán a ser oficinas delegadas do central, situado na capital de provincia. Mais, no concreto, advirten que se fixarán uns criterios para o mantemento destas sedes en base á dispersión da poboación e o volume de procesos xudiciais, carga de traballo ou distancia da sede central. |
NOS_41581 | O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo reuniuse o sábado con Raúl Castro, xuntanza que a Xunta non tiña previsto na planificación da viaxe. O presidente da Xunta botou man da transición española como modelo para os cambios nunha Cuba que lle deixou claro que ningún cambio se desenvolverá fora do socialismo. Feijóo tentou afortalar na viaxe a súa posición de home de Estado, minguada despois das fotos no iate de Dorado. | Na súa primeira viaxe a Cuba, encontro que criticara cando un Touriño presidente realizara a mesma visita institucional, Núñez Feijóo mostrou a súa vontade de establecer novos lazos comerciais coa illa, en especial convidando a empresarios galegos e investir en Cuba. Nese sentido, Feijóo aplaudiu en diversas ocasións os "cambios" desenvolvidos no goberno de Castro e puxo a transición española como modelo para o camiño a seguir polo goberno cubano. Como resposta, Feijóo trae de volta a constancia de que calquera mudanza que se desenvolva na illa será dentro da economía socialista. Malia encontros e promesas, as declaracións de Feijóo de intensificar a colaboración mutua e unha máis sólida relación económica non conlevou ningún tipo de compromiso concreto. Por parte cubana, a Raúl Castro a visita de Feijóo serviulle para desconxelar temporalmente o bloqueo mediático á que a illa se ve sometido. O presidente da Xunta permitiulle atravesar os mares que rodean á illa e o propio Feijóo foi cauto á hora de criticar o goberno cubano ou atoparse coa oposición. Na axenda de Feijóo non había ningún acto que puidese enturbiar o bon ambiente do encontro, malia noutros tempos ter falado de esixirlle maior democracia desde Galiza ao goberno de Castro. Tamén por iso, a viaxe a Cuba foi vista con receo polo goberno de Mariano Rajoy e pola banda máis dereitista do PP que non ve a necesidade dun encontro cordial con Raúl Castro nun momento no que no partido está a imperar a súa faciana máis dura. Tras as pegadas de Fraga Mais sen dúbida, Alberto Núñez Feijóo preferiu emular nesta viaxe o seu antecesor Manuel Fraga que, nos seus últimos anos, provocou desde o cargo de Presidente da Xunta un reencontro coa súa orixe cubana, tamén co propio Fidel Castro, cubano de orixe galega que visitou o noso país e a casa familiar de Láncara en tempos de goberno do de Vilalba. De feito, un dos actos da axenda de Feijóo era a presentación na Habana do libro "Manuel Fraga, un gallego cubano, Fidel Castro un cubano gallego", de Miguel Ángel Alvelo Céspedes, xornalista e escritor próximo ao goberno de Castro. O gabinete de comunicación da Xunta emitía o domingo á noite a nota do encontro con Raúl Castro e tamén un inicial avance da viaxe que rematou "satisfeito por ter saldado unha materia pendente cos máis de 38.500 emigrantes galegos neste país". A nota mostraba tamén o dato de que "o peso da emigración galega en Cuba será cada vez maior de acordo coas previsións relativas ao desenvolvemento da normativa española sobre nacionalidade". "O pobo cubano ten amosado a súa capacidade para avanzar en moitos momentos da súa historia e tanto España en xeral, como Galicia en concreto, temos unha gran confianza en que o siga facendo no futuro", asegurou o presidente que aproveitou para se mostrar máis como home de Estado do que como o xefe do Executivo galego. |
NOS_31699 | O PP fai valer a súa maioría na mesa do Parlamento de Galiza e veta tramitar unha iniciativa para reprobar o delegado do goberno. Unanimidade na oposición na denuncia do "desprezo" do goberno galego á cámara por esta e outras actuacións. | O Goberno galego "despreza" o Parlamento de Galiza, usando a súa maioría para impedir, recortar, vetar ou suspender o simple debate ou tramitación de iniciativas da oposición. Esa é a denuncia que BNG, AGE e PSdeG veñen de facer tras unha xornada parlamentar na que os populares demostraron, salientan, como a maioría pode servir para manter sen voz á minoría. O BNG estuda acudir ao Tribunal Constitucional para pedir amparo. AGE, ao Valedor. A Mesa do Parlamento veta tramitar unha iniciativa do BNG para "reprobar a Samuel Juárez". O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera anunciou que o BNG estuda acudir ao Tribunal Constitucional para pedir amparo ante a "vulneración dos dereitos dos deputad@s" ao impedir o Partido popular tramitar a Proposición non de lei. o veto demostra para Jorquera que "Juárez manda sobre o Goberno" e esta convertendo Galiza en "Ciudad Juárez". Os nacionalistas pedían a reprobación do delegado español pola súa responsabilidade na desproporcionada carga policial contra os traballadores do cerco e a súa negativa a que comparezan na Comisión de estudo de seguridade viaria altos cargos da Garda Civil de tráfico Para Xosé Manuel Beiras (AGE), este tipo de decisións enmárcanse na "fase de recrudecemento do acoso á oposición"e de medidas represoras" contra a "liberdade de expresión". Tamén o PSdeG, por boca de Méndez Romeu, criticou o veto da mesa do Parlamento. Recorte Mais este veto non foi a única 'incidencia' da xornada no Parlamento. O PSdeG presentou unha queixa pola tramitación da lei de medidas urxentes para a interpretación da lei de réxime local. Unha lei que vai ter repercusións directas e graves ("vulnera as competencias de Galiza" di Jorquera, "viola as normas galegas e quere privatizalo todo" afirma Beiras) non pode ser 'despachada' á lixeira, denuncian. |
NOS_54227 | Os grupos da oposición critican con dureza a xestión de Feijóo e néganlle o seu apoio na sesión de investidura. Na súa quenda de intervención Francisco Jorquera criticou con dureza a xestión de gobernó desenvolvida por Feijóo e asegurou que é precisa "unha rexeneración democrática" e que "Galiza teña dereito a decidir" | BNG, AGE e PSdeG interveñen arestora no pleno do Parlamento co gallo da sesión de investidura do que esta mesma quinta será re-eleito presidente da Xunta de Galiza. As tres formación da oposición denuncian que o discurso pronunciado a pasada terza feira por Alberto Núñez Feijóo foi unha "estafa" e baten contra o grupo maioritario asegurando que a "maioría parlamentar" coa que contará o Partido Popular os vindeiros catro anos, non é apoiada "pola mayoría social". Así o denunciaba Francisco Jorquera, voceiro parlamentar do BNG, na súa intervención. "O seu partido non foi lexitmado pola sociedade para continuar coas políticas de saqueo", espetaba o voceiro nacionalista desde a tribuna do salón de plenos, asegurando que "só un de cada catro galegos inscritos no censo electoral votou o Partido Popular". Aliás, aseverou que "desde o respeito ao resultado das urnas" o executivo galego corre o risco "de morrer do seu éxito electoral" froito de que as políticas que desenvolve "conduzan a nosa nación á desaparición", asegurou Francisco Jorquera. O voceiro do BNG criticou con dureza as políticas levadas a cabo polo gobernó da Xunta de Galiza durante os últimos catro anos e acusou ao líder do executivo galego de non ter feito "absolutamente nada" por mudar a realidade galega. Aseí mesmo, Francisco Jorquera salientou que algunas das políticas desenvolvidas polo executivo galego liderado por Núñez Feijóo, mesmo foran anuladas pola xustiza galega, como a suspensión do plan eólico e as disposicións fundamentais do decreto do plurilingüismo. "Derrogue p decreto da vergoña e exclúa ao señor Vázquez do novo gobernó" exixiu o nacionalista asegurando que "a propia pervivencia de Galiza como país" está "ameazada", aseverou Jorquera, perante as políticas aprobadas desde a Xunta de Galiza. Neste senso, o nacionalista comparou a Núñez Feijóo co "sheriff de Nottingham" por ter apoiado coas medidas implementadas ao longo deste ano "aos centros e operadores privados" para que "uns poucos fagan negocio". |
PRAZA_16865 | O pasado luns suprimíronse máis dunha ducia de traxectos do FEVE da costa norte galega, que sufriu máis de 900 cancelacións en 2017 e segue a esmorecer entre avarías, atrasos e escaso investimento. A plataforma pola defensa da liña denuncia unha "desastrosa xestión" que cre "premeditada". | Se non é un desmantelamento, paréceselle moito. É o que denuncian acotío tanto a veciñanza como a Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo, o obsoleto tren FEVE da costa norte galega, esquecido, con escaso investimento, avarías continuas, atrasos, máquinas paradas e supresión de servizos a diario. O medio de transporte que debería dar servizo e vertebrar as comarcas de Ferrolterra, Ortegal e A Mariña continúa a súa decadencia, explicitada con datos. O pasado luns 16 suprimíronse 13 servizos. Nun só día. Outro récord nunha liña que en 2017 foi a tres cancelacións por xornada e que incrementará esta vergonzante media neste 2018. O pasado luns suprimíronse 13 servizos na liña Ferrol-Ribadeo, que sufriu máis de 900 cancelacións o pasado ano Así o denuncia a plataforma, que informa e certifica cada pouco das "masivas supresións de servizos" que se dan na liña, basicamente "por falta de material rodante". Entre a veciñanza, a presenza de máquinas paradas na vía, o arranxo continuo de máquinas, a cancelación de viaxes e a recollida en autobús ou taxi dos afectados xa non é sorpresa, é costume. A deficiencia no servizo provoca que sexan moitas as persoas que desisten de desprazarse no FEVE, un descenso nos usuarios que teman que sirva para acabar de vez co servizo. Se é que hai revisores para dar conta das cifras ou picar os billetes. Non é raro viaxar sen que ninguén apareza. A do pasado luns foi unha xornada máis das que cada vez se repiten con máis frecuencia. Suprimíronse nove servizos de proximidade, afectando ao percorrido Ferrol-Xuvia ou os que conectan con Cerdido ou Ortigueira, tanto en ida como en volta, ademais de catro rexionais, trens que van ou veñen desde Asturias. O día anterior, o domingo 15, non circulou servizo ningún de proximidade "por falta de unidades para prestalo", segundo denuncia a plataforma. E o sábado 14, desde as sete da tarde non había ningunha das nove unidades da base de Ferrol dispoñible. O domingo 15 non circulou servizo ningún de proximidade; o sábado 14, non había dispoñible ningunha das nove unidades da base de Ferrol A Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo cre que a "desastrosa xestión" do parque móbil de Renfe "é premeditada". "Obedece á intencionalidade de deteriorar ata o máximo nivel a calidade do transporte, pensando en expulsar da liña ata o último usuario", explica un colectivo que cre que a empresa "xa non pode escudarse na situación que atopou hai cinco anos" porque "non fixo máis que empeorar". Así, en 2016 foron máis de 500 supresións de servizos, mentres que en 2017 superáronse as 900. O 70% delas, segundo denuncia a plataforma, por deficiencias nas unidades. A falta de investimentos, medidas ou mesmo ideas para revitalizar o tren non pasan de plans urxentes que fracasan ao día seguinte de porse en marcha ou de mudanzas nos horarios que deixan fóra A Mariña ou propoñen frecuencias pouco razoables. Cambios que pouco melloran se as avarías, as cancelacións ou os atrasos son constantes. A Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo cre que a "desastrosa xestión" é "premeditada" para "deteriorar" o servizo e "expulsar da liña ata o último usuario" "Resulta hipócrita por parte de Renfe achegar propostas de mellora de horarios (totalmente necesarios) ao tempo que é totalmente incapaz de prestar os servizo con puntualidade e fiabilidade en calquera horario; tendo como mostra estas trece supresións nun só día", quéixase a plataforma. Respecto dos investimentos, máis do mesmo. A mellora deste obsoleto servizo do norte galego recibe menos de 2 millóns no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2018. O plan de mellora presentado por Renfe aos concellos das comarcas afectadas en maio do ano pasado incluía a reforma das unidades diesel. "A día de hoxe non está circulando ningunha desas unidades reformada", denuncia a plataforma, que advirte tamén dunha licitación para a reparación ds oito unidades máis antigas e que prestan servizo a toda a cornixa cantábrica. "Retiráronse tres da circulación para amañalas, pero non se rematou de reparar ningunha", insisten. Respecto das unidades máis numerosas e máis novas, licitouse unha asistencia técnica para revisar as avarías "diarias e endémicas" que padecen. "Entendemos que só se fixo para espazar no tempo a urxente necesidade de reforma desas unidades", asegura o colectivo. Ademais, denuncian o "paradoxo" de que das nove unidades asignadas á base de Ferrol por Renfe "non se estean a superar as tres en servizo no mellor dos casos". A plataforma vai máis aló e di ter "fundadas sospeitas" de que algunha delas estanse a reservar algnhas para prestar o servizo estival do Tren dos Faros "mentres se suspenden servizos regulares por falta de material". |
PRAZA_12086 | Que o capitalismo fianciarizado precise hoxe menos man de obra ca nunca para reproducirse só pode querer dicir unha cousa: que nestes momentos ao sistema sóbralle xente. Velaquí a nova polarización. E velaquí sobre quen caerá a forza dos aparatos disciplinarios do Estado agora que o discurso hexemónico baseado na liberdade de escolla e na democracia formal semella entrar en tempos de decadencia. | O discurso ideolóxico dominante nun período determinado sempre tarda en ser obxectivado, comprendido e criticado polo groso da sociedade. Se cadra, mesmo se podería dicir que, infelizmente, ese discurso comeza a ser comprendido xusto momento en que deixa de ser imprescindible para os que detentan o poder. Un bo termómetro do grao de identificación popular dun construto ideolóxico dado ofrécenolo a cultura de masas: a música, a literatura, o cine, etc., pois esta rara vez aborda temas que o gran público non estea, xa de antemán, preparado para comprender. Por exemplo, na Inglaterra de 1985, apoxeo do thatcherismo, un grupo de música pop independente como McCarthy (collerían nun ascensor os que podían coñecer daquela, e mesmo hoxe, a este grupo) identificaba perfectamente o espírito dos tempos nunha marabillosa canción profeticamente titulada We´re all bourgeois now (agora todos somos burgueses) que reflectía por onde transitaba, nesa década, a mutación antropolóxica das clases populares que xa intuíra Pier Paolo Pasolini nos anos 70. O tema da canción versa sobre o encontro entre unha muller de poucos recursos que camiña pola rúa coa súa prole e máis o home-heraldo que lle informa, nas primeiras estrofas e na repetición do retrouso, da fin da inxerencia do Estado providencia e do advento da boa nova: We're all free to choose/ We're all free to choose/ We're all free to choose/ We're all free to choose; todos somos burgueses porque agora todos somos libres para escoller. Dito doutro xeito: como contrapartida a seren eliminados todos os mecanismos de redistribución económica, todos os dereitos que constituían a base material da verdadeira liberdade, tamén será desdebuxada toda idea de compartimentación social en clases. Desde agora todos somos burgueses potenciais no material (emprendedores) e burgueses de facto no ideolóxico (clase media). Velaí a quintaesencia da revolución conservadora que daquela estaba en plena fase de expansión pero á que só unha pequena minoría, desgrazadamente, sabía ler entre liñas. Moito tempo pasou desde entón até este 2012, cuarto ano da crise do capitalismo financeiro, no que é posible atopar, en calquera librería-papelería de barrio, Liberdade, o supervendas de Jonathan Franzen no que se destripa a eito, se ispe con mestría e se analiza con detemento a idea de "liberdade como non interferencia" que o neoliberalismo elevou a dogma. É ben sabido que unha ideoloxía é hexemónica cando non é percibida como tal, senón cando consegue ser identificada co sentido común maioritario. Ante o feito de que un libro como o de Franzen —non só pola especial habelencia do autor (que tamén) senón por ser o tipo de libro best-seller que é— trate este tema dun xeito tan directo un pode afirmar, sen risco de resultar ousado, que os días da identificación abusiva da idea de liberdade (e por extensión de democracia) co capitalismo da era da globalización están contados. Cando nun produto de consumo masivo se escriben cousas como: "As compañías mineiras tiñan motivos para temer que a reinita pronto aparecese na lista de animais amparados pola Lei de Especies en Perigo de Extinción, con efectos potencialmente nocivos para a súa liberdade para talar bosques e voar montañas"; ou cousas como: "Todo xira arredor das liberdades persoais —explicou Walter—. A xente veu a este país polos cartos ou pola liberdade. Se non tes cartos, aférraste aínda máis furiosamente ás túas liberdades. Aínda que fumar te mate, aínda que non poidas dar de comer aos teus fillos, aínda que aos teus fillos os mate a tiros un tolo cun fusil de asalto. Podes ser pobre, pero o único que ninguén che pode quitar é a túa liberdade para foderte a vida como che pete", un decátase de que nos tempos vindeiros o capital vai abandonar este camiño xa trillado e que procurará, polo tanto, outros recursos menos ideolóxicos e máis represivos para impoñer o seu poder. E decátase tamén do tarde que chegaron ao Estado Español estas estratexias do capital para imporse a través do soft power; pois Galicia Bilingüe e a súa fobia anti-galego disfrazada de liberdade de elección de idioma que hoxe acolle o goberno Feijóo de xeito entusiasta, o ministro de educación Wert maila Igrexa Católica e as súas apostas pola escola privada coa liberdade de elección de centro como coartada, ou o ataque da patronal española ao dereito á folga en favor dunha difusa liberdade a traballar dos que non a secundan son os últimos estertores dunha ofensiva ideolóxica que a poboación do Estado Español comeza a non crer (de aí a demanda de "demoracia real" en oposición ao sucedáneo que nos ofrecen) e que no centro do sistema —os EUA que describe Franzen, os EUA, tamén, que comezan a substituír o We´re all bourgois now polo We are the 99%— resulta cada vez máis complicado facer funcionar. Publicábase recentemente que as rendas do capital superaran no Estado Español, por primeira vez, ás rendas do traballo. Fronte ao 53% proveniente das rendas salariais e o 41% das rendas empresariais nos anos oitenta, hogano as cifras din que as rendas do traballo andan polo 46% fronte ao 46,2 das rendas do capital. Isto, lonxe de ratificar aos McCarthy que nos oitenta espallaban con ironía a boa nova da universalización do ser burgués, confirma a probabilidade dun futuro moitísimo máis preocupante: o dunhas novas xeracións que naceran créndose burguesas pero que madurarán con máis probabilidades de caeren na precariedade crónica e na exclusión social ca no mundo do traballo estable. Realidade á que tamén facía referencia a socióloga Saskia Sassen nunha entrevista recente na que aseguraba que "hoxe, o sistema financeiro inventou modos de multiplicar a renda sen pasar polo consumo de masa. [...] O novo elemento é que moitos dos desempregados de hoxe non teñen posibilidade de volver a ter unha vida normal de traballo". Que o capitalismo fianciarizado precise hoxe menos man de obra ca nunca para reproducirse só pode querer dicir unha cousa: que nestes momentos ao sistema sóbralle xente. Velaquí a nova polarización. E velaquí sobre quen caerá a forza dos aparatos disciplinarios do Estado agora que o discurso hexemónico baseado na liberdade de escolla e na democracia formal semella entrar en tempos de decadencia. |
PRAZA_9825 | O caso de Ángel e María Jose devolveu o debate sobre a eutanasia ao primeiro plano da actualidade, despois de que a lei que a pretendía regular non puidese ser debatida no Congreso nesta lexislatura. Ascensión Cambrón é presidenta de Dereito a Morrer Dignamente - Galicia | A pasada semana Ángel Hernández revelou que axudara á súa dona, María José, a morrer. A muller, de 61 anos de idade, sufría dende había 30 unha esclerose múltiple que xa se atopaba nunha fase terminal. Ela quería morrer e el axudouna a cumprir o seu desexo ("empresteille as miñas mans", dixo), autoinculpándose posteriormente co obxectivo de que o caso fose coñecido: "Había que distribuílo aos medios. Hai que divulgalo porque hai centos de persoas na situación de María José. Se eu ocúltome, fágoo e non se sabe nada, ela tería sido unha falecida máis", afirmou en El Intermedio."Desde a asociación parécenos positivo que estes últimos días se reabrira o debate"A decisión de Ángel e María José axudou a que nos últimos días se reabrise o debate sobre a eutanasia, que nesta lexislatura estivo a piques de ser aprobada, cun anteproxecto de lei que finalmente non puido ser debatido no Congreso. A asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD) traballa dende hai anos para que este dereito, que segundo as enquisas conta cun apoio maioritario na sociedade, sexa regulado, permitindo cumprir así as vontades dos doentes e evitando que as persoas que as axudan a facelos non sexan perseguindo pola lei, en cumprimento no artigo 143 do Código Penal. Falamos con Ascensión Cambrón, doutora en Filosofía do Dereito e presidenta de DMD-Galicia.Nos últimos días, ao fío da decisión de Ángel Hernández e de María José Carrasco e das posteriores declaracións de Ramona Maneiro, semella que volveu reabrirse un debate sobre a eutanasia que moitas veces queda soterrado, invisibilizado. Como analizades a reapertura do debate e os termos nos que se está dando?Sempre é importante que se fale deste tema. E por iso desde a asociación parécenos positivo que estes últimos días se reabrira o debate. O que non nos parece tamén é que ao fío desta cuestión se encheron os medios de comunicación das opinións e posicións de determinadas persoas que representan a sectores moi minoritarios e que continuamente buscan obstaculizar o dereito que ten un paciente a que se respecte a súa vontade."Hai que regular o dereito dunha persoa a non querer seguir vivindo nunha situación que para ela é indigna e desesperada"Como valorades o caso concreto de Ángel e María José e o risco que agora ten de ser castigado?O acto de Ángel Hernández de axudar a morrer á súa muller, á que coidou durante décadas, só pode entenderse como un acto de amor que non debería recibir castigo penal ningún. Cando aínda era dona das súas capacidades mentais, da súa vida e do seu corpo, ela pediulle que a axudase a morrer. O que fixo el foi un acto de amor. Nunha sociedade democrática, baseada no respecto á liberdade individual e a pluralidade, resulta inaceptable que axudar a unha persoa a dispor da súa vida libremente estea castigado no Código Penal.Que reformas reclamades dende a asociación?Desde a asociación promovemos o dereito de toda persoa a dispor con liberdade do seu corpo e da súa vida, e a elixir libre e legalmente o momento e os medios para finalizala. Hai que regular o dereito dunha persoa a non querer seguir vivindo nunha situación que para ela é indigna e desesperada. Defendemos, de xeito especial, o dereito dos enfermos terminais e irreversibles a morrer sen sufrimentos, se este é o seu desexo expreso. A boa morte tamén é un dereito."A composición da Mesa do Congreso, que debía aprobar o seu debate, estivo boicoteando o seu paso ao Pleno"A sociedade española apoia o dereito á morrer dignamente?A eutanasia é un dereito moral, está recoñecido na sociedade. Dende un punto de vista subxectivo, esa demanda conta co apoio dun 80% da poboación española, manifestada en diversas sondaxes ao longo destes anos. O último, realizado por Metroscopia en 2017, cifraba o apoio nun 84%. Moralmente é un dereito. Que é o que fai falla para convertelo nun dereito efectivo? Pois que sexa recoñecido na sede da soberanía popular, no Congreso. Aínda que haxa políticos que digan nos medios que este problema non existe, si que existe e debe ser resolto no Congreso. É un imperativo moral e democrático."Aínda que haxa políticos que digan que este problema non existe, si que existe e debe ser resolto no Congreso. É un imperativo moral e democrático"Estivo moi preto de aprobarse xa nesta lexislatura. Como vivistes este proceso dende a asociación?O anteproxecto de lei que presentou o PSOE foi depositado nas Cortes a finais do ano pasado e superou os trámites parlamentarios para a súa discusión. Pero a composición da Mesa do Congreso, que debía aprobar o seu debate, estivo boicoteando o seu paso ao Pleno. Nun comezo só se opoñía o PP, pero ao final tamén Ciudadanos contribuíu a paralizar a discusión do anteproxecto. De ter pasado ao Pleno, tería sido aprobado, porque os partidos que apoiaban a lei tiñan maioría suficiente na Cámara. Dende a asociación Dereito a unha Morte Digna pensamos que non era o mellor anteproxecto que se podía presentar, era bastante mellorable: o obxectivo era o correcto, pero o seu desenvolvemento no articulado era ambiguo, e a ambigüidade neste tipo de procedementos, como xa sabemos por experiencia, son perigosas. No debate no Congreso poderían terse mellorado algúns aspectos. Creo, de todos os xeitos, que na vindeira lexislatura se pode aprobar esta lei."A aceptación social que ten a eutanasia procede do feito de que case todo o mundo ten algún coñecido a quen se lle prolongou a vida de forma artificial"Custa mesmo, que se fale do tema. A morte é un tema tabú?O tema da morte na nosa cultura é un tema tabú, máis aínda nestes tempos. A morte é ocultada á xente nova e anos nenos, algo que non pasaba ata hai unhas décadas. Nos anos sesenta viamos como morrían os nosos familiares, despois era velados na casa, tiñas máis contacto con ese proceso. Porén, nos últimos tempos, con formas de vida máis individualistas e consumistas, que buscan permanentemente a felicidade, a morte converteuse nun tabú. Isto está sendo erosionado a través da morte medicalizada. Creo que a aceptación social que ten a eutanasia procede do feito de que case todo o mundo ten algún familiar ou algún veciño ou coñecido a quen se lle prolongou a vida de forma artificial, con sufrimento e sen posibilidade de curación.Por que se dan aínda estas resistencias nalgúns sectores e partidos?Hai unha aceptación social na poboación, pero a situación é moi distinta entre a clase política. Por razóns doutrinais ou ideolóxicas, hai moitos que seguen afirmando que a vida só a dá e a quita Deus. Cada un pode crer no que queira, pero nunha sociedade democrática non teñen dereito a impoñer as súas posicións ao conxunto da cidadanía. Parece que non entenden como funcionan os dereitos. A eutanasia é un dereito de liberdade, que por suposto non obriga a ninguén a acollerse a el. Temos dereito á vida, pero non temos a obriga de vivir. Creo, en todo caso, que o asunto da eutanasia é un tema transversal na nosa sociedade. Entre ese 84% que di estar a favor hai felizmente moitas persoas crentes, relixiosas, pero que teñen sentido do que é o sufrimento e a indignidade e que polo tanto apoian que se regule, aínda que elas persoalmente non pensen acollerse a ese dereito."Cada un pode crer no que queira, pero nunha sociedade democrática non teñen dereito a impoñer as súas posicións ao conxunto da cidadanía"Pola vosa experiencia, cal é o papel que están a xogar os profesionais médicos? Apoian o dereito ou nalgún caso están a ser un freo?Este tema varía dunhas comunidades a outras. Sabemos, porque no País Vasco fixeron enquisas entre os médicos, que a inmensa maioría está a favor da regulación. En Galicia non se fixeron sondaxes sobre este tema, pero si sabemos que os presidentes dos colexios médicos están en contra. En todo caso, nas comunidades que foron aprobando leis de morte digna, como Galicia no ano 2015, os médicos polo xeral están sendo respectuosos coas persoas que se acollen ao documento de instrucións previas e que así llo lembran no hospital. E, así, déixanse de aplicar recursos terapéuticos extraordinarios."As autoridades sanitarias galegas non moveron un dedo para difundir o documento de instrucións previas entre a poboación"Esa Lei de Morte Digna leva case catro anos en vigor en Galicia. Tedes datos de cantas persoas se acolleron a ese documento de instrucións previas? A implantación é maior ou menor que noutros lugares?Temos rexistrados uns 7.500 documentos de instrucións previas, que se recollen nun rexistro oficial. Pero hai que dicir que a información en Galicia é coñecida grazas ás persoas que traballamos nesta asociación, porque as autoridades sanitarias non moveron un dedo para difundir o contido deste novo dereito entre a poboación. De aí que a implantación deste documento en Galicia sexa deficitaria. A min paréceme moi importante que a poboación rexistre as súas vontades anticipada para que no caso de padecer un accidente ou unha enfermidade, o médico coñeza o que esa persoa quere facer. Iso facilita moito estas situacións. Agora as familias son máis complexas e é máis difícil que se poñan de acordo sobre se hai que prolongar artificialmente a vida do paciente que perdeu a súa saúde e que xa non ten posibilidade de mellora. |
NOS_42311 | CIG-Ensino indica que a enquisa do IGE sobre uso da lingua propia da Galiza constata os efectos do decreto de plurilingüismo: aumenta o número de estudantes que non sabe falar galego. | "Desde que se promulgou o Decreto de Plurilingüismo no 2010 asistimos a un descenso continuado no emprego da nosa lingua no ámbito educativo tanto por parte do profesorado, que está impedido, legalmente, para dar moitas materias en galego, como por parte do alumnado". CIG-Ensino realiza esta reflexión desde o coñecemento dos datos da enquisa do IGE sobre uso do galego. No tramo de idade que vai dos 5 aos 15 anos, 30,04% recoñecen non saber escribir galego, 18,32% non saber lelo e 23,9 % non saber falalo, o que supón un incremento do 8,42%, do 4,06%, e do 7,6% (respectivamente) sobre os datos recollidos no 2008, ano da última enquisa anterior á entrada en vigor do decreto contra o galego. Para o sindicato, o "único éxito verificábel" é o da "política desgaleguizadora do PP", que conseguiu, embra, que nas aulas galegas estea mesmo prohibido impartir determinadas materias en galego (matemáticas, a física e química ou a tecnoloxía. "Especialmente preocupante, desde o punto de vista do futuro do noso idioma, é a irrelevante presenza do noso idioma nas aulas de Infantil en ámbitos urbanos". indice. Hoxe, case dez anos despois da entrada en vigor do Decreto de Plurilingüísmo "aumentou dun xeito moi alarmante o alumando que, despois de pasar doce anos polo ensino obrigatorio, sae das aulas sen saber falar no noso idioma". Por todo iso, o sindicato pide una mudanza "urxente" da administración na política lingüística e educativa, na liña de facer do galego a lingua vehicular. |
NOS_23694 | Os pacientes hospitalizados mantéñense en 176 e a taxa de positividad segue por baixo do 2% | Os novos contaxios de Covid-19 subiron lixeiramente até os 116 após iniciar esta semana con 107, mentres que os casos activos deste coronavirus aumentaron a 2.805, despois do descenso da xornada anterior. Pola súa banda, os pacientes hospitalizados mantéñense en 176. Segundo os datos actualizados na mañá dsta terza feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta segunda feira, seguen 37 pacientes Covid ingresados en UCI na Galiza e 139 noutras unidades de hospitalización. E hai 2.629 en seguimento nos seus domicilios. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente nas de Vigo e Santiago-Barbanza; baixa nas de Ourense e Lugo; e mantense nas da Coruña-Cee, Ferrol e Pontevedra-O Salnés. En canto aos casos activos, tras cinco xornadas consecutivas en descenso, aumentaron lixeiramente até os 2.805, que supoñen 16 máis, ao haber máis contaxios (116) que altas (98), ao que se engaden dous falecidos. Por áreas sanitarias, os casos activos descenden na da Coruña e Cee (-21) e aumentan nas de Vigo (+15), Santiago e Barbanza (+11), Pontevedra e O Salnés (+7) e Lugo (+4), mentres que se manteñen nas de Ourense e Ferrol. Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 subiron lixeiramente a 116, despois de iniciar esta semana con 107, o que supón nove máis. Do total, 105 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas, deles 31 na área de Vigo; 24 na de Pontevedra e O Salnés; 20 na de Santiago e Barbanza; 14 na da Coruña e Cee; seis na de Ourense; outro seis na de Lugo; e catro na de Ferrol. Pola súa banda, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- mantense por baixo do 2% nun 1,3% após iniciar a semana cunha baixada ao 1,6%. Continúa así por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. Desde o inicio da pandemia faleceron 2.405 persoas diagnosticadas de Covid-19 na Galiza, tras notificar a Consellería de Sanidade eta segunda feira a morte doutras dúas. |
NOS_34432 | Entre o 8 e 10 de xuño decorren as probas de acceso á universidade antes da entrada en vigor da reválida de bacharelato. | A Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) prevé a desaparición da selectividade, unha proba que entrou en vigor hai 30 anos e que podería ter os días contados. Na Galiza, esta proba de acceso á universidade terá lugar do 8 ao 10 de xuño. Os reitores das universidades galegas propuxeron que sexa a reválida a que determine a nota de corte Segundo a LOMCE este mecanismo de criba desaparecería e no seu lugar aparecerá unha reválida que atinxe o conxunto do estudantado --teña ou non vontade de acceder ao ensino universitario, sen a que non poderán conseguir a titulación. Aliás, a Consellaría de Educación prevía fixar unha outra proba para o acceso a aquelas carreiras universitarias que teñan límite de prazas. Porén, os reitores das universidades galegas propuxeron que sexa a reválida a que determine a nota de corte representando, como na actualidade, o 60% da mesma fronte ao 40% da avaliación obtida no curso. A avaliación destas probas correrá a conta das Comisións de Avaliación conformadas por representantes da administración, das universidades e do profesorado de bacharelato, como acontece na actualidade. Así mesmo, serán as encargadas da elaboración das probas se ben o Ministerio prevé, através dun decreto, fixar uns criterios a respeito da tipoloxía das preguntas, o tempo de duración e a súa proporción en función dos coñecementos que debería alcanzar o alumnado após o curso. Unha proba "única" para o conxunto do Estado español Así as cousas, desde a Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) prevén que sexa unha proba "única" para o conxunto do Estado español embora "flexíbel para que as comunidades desenvolvan os exames cada unha no seu territorio", sinalou o seu presidente, Segundo Píriz. Aliás a LOMCE permite que as universidades que así o queiran poidan estabelecer --para alén da reválida-- a súa proba de acceso. Desde a Plataforma galega en defensa do ensino público insisten en reclamar a derrogación da LOMCE e as organizacións estudantís no acceso libre ao ensino universitario, sen probas de acceso para as titulacións. |
NOS_43856 | O recente operativo do exército de Israel para deter, baixo acusación de "terrorismo", a 30 crianzas cando estas ían cara o colexio alarmou mesmo a unha parte da sociedade israelí. ONGs denuncian torturas e mesmo abusos sexuais a menores palestinos presos en cadeas de Israel | Un grupo de colexiais diríxese , nas proximidades de Herbón, ao colexio. Varios jeeps do exército israelí cortan a andaina dos estudantes e comezan a deter a varios deles no que todo semella unha operación ao chou. Malia protesta dos familiares das crianzas, os soldados seguen ao seu. Collen nenos e lévanos (a rastro) até os vehículos militares. Desde o goberno de Israel xustifican o operativo, detención de nen@s entre 10 e 13 anos, na loita contra "o terrorismo". Na prensa de Israel dan un dato máis: "Guindaron pedras contra o exército israelí". Cada ano, por volta de 700 menores son detid@s e interrogad@s polo exército de Israel As imaxes desa operación, captadas por un voluntario dunha organización de defensa dos dereitos humanos, amosan, denuncian colectivos palestinos e israelís, que Israel "non ten freo. É perigoso". O número de menores de idade presos en cárceres de Israel ronda o milleiro. E segundo a Asociación de Axuda a Prisioneiros Palestinos Al-Asi, desde 1967, máis de 25.000 nen@s teñen sido detid@s por Israel. O xornal L'Humanité, pola súa banda, cifraba nunha reportaxe de investigación en por volta de 700 menores palestinos os que "son detidos,interrogados, perseguidos polo sistema militar israelí" cada ano. Torturas e abusos sexuais a menores palestin@s en cadeas israelís A mediados do ano pasado, Gerard Horton, da Defensa de Nenos e Nenas Internacional (DNI), alertaba da "grave situación" dos menores que se atopan presos nas cadeas de Israel. Horton afirmou que hai casos de tortura e abusos sexuais a menores palestin@s en cadeas de Israel. Unha acusación que ten sido apoiada por outros colectivos humanitarios mais que non tiveron repercusión internacional algunha. Menos aínda, unha investigación polas autoridades de Israel. O responsábel desta ONG afirma que é habitual que o exército entre en vivendas para se levar detidos a nenos e nenas baixo a acusación de que guindaron pedras. Unha vez en prisión "obríganlles a asinar follas e follas de confesión sen que entendan o seu contido". "Hai 5 mil palestin@s pres@s carentes de dereitos tan elementais como auga, alimentos ou atención médica" Aliás, desde Al-Asir falan de que en prisións como Hasharon, mesmo hai problemas de alimentación para os presos menores de idade. "Hai máis de 5 mil palestinos vivindo en condicións infrahumanas nas prisións do réxime israelí, carentes de dereitos tan elementais como auga, alimentos, atención médica, educación, visitas regulares, defensa xurídica, ..." Israel figura entre os 191 asinantes da Convención de Dereitos da Infancia. Mais xa en xaneiro de 2010, o Comité para os dereitos d@s nen@s da ONU acusaba a Israel de violar o contido desa convención. Máis de 200 palestinos mortos en cadeas de Israel Desde o Ministerio de Pres@s indican que un total de 203 pres@s palestin@s morreron en cárceres de Israel. 71 deles por torturas, 54 por falla de atenciónmédica, 74 por "asasinatos após á súa detención e antes de ser ingresados nas celdas" e outros 7 "asesinados por disparos dentro das celdas de detención". Mesmo colectivos israelís como Stop Torture, Rabinos polos Dereits Humanos ou B'Tselem denuncian este "inferno". |
NOS_23762 | Eis algunhas citas para a fin de semana na Galiza. | Sexta feira 22 de abril. Compostela, Teatro Principal. 22 horas. Guadi Galego. Volta á capital da Galiza para apresentar o seu último traballo, Lúas de Outubro e Agosto. Carballo, Pazo da Cultura. 21 horas. Festival Primavera en Danza. Féchao a compañía de Mar Gómez, con 20 de anos de traxectoria profisional ás súas costas. Teatro, danza e humor mestúranse no espectáculo. Sábado 23 de abril. Ferrol, Teatro Jofre. 20.30 horas. Presidente. Un espectáculo de Teatro do Morcego. Unha campaña na procura dos votos sobre o escenario. Moi propio das calendas pre-eleitorais nas que nos achamos. Betanzos. Aula Municipal. 20 horas. Ibuprofeno Teatro apresenta O Furancho, un espazo carregado de "agroglamour" que vén da man de Isabel Risco e Marián Bañobre. A Coruña, Sala Le Club. 22.30 horas. Miguel Costas pon sobre o palco o seu último CD, No me cuentes tu vida. Un dos imprescindíbeis do rock galego. Odivelas (distrito de Lisboa). Biblioteca Municipal Dom Denis. 17 horas. Primavera da Poesia. Recitais de Poesia e Música Lusófona. Con Carla M. Poeta Maldita, Delmar Gonçalves, Goretti Pina e Tonecas Prazeres. Domingo 24 de abril Oleiros, Auditorio García Márquez. 12.30 horas. Brinca Vai! De aquí a acolá!, concerto gratuíto de Paco Nogueiras. Hai de todo: cancións, animacións e interpretacións. |
PRAZA_9358 | En resposta a unha pregunta de En Marea, suma outros tres casos de falecidos por "causas non traumáticas" aos nove que xa se coñecían en toda Galicia desde o comezo das obras en 2001 | En resposta a unha pregunta de En Marea, o Executivo suma outros tres casos de falecidos por "causas non traumáticas" aos nove que xa se coñecían en toda Galicia desde o comezo das obras en 2001O Goberno central, nunha resposta a unha pregunta por escrito da eurodeputada de En Marea Alexandra Fernández, vén de elevar a 12 o total de mortes relacionadas coas obras de construción do AVE galego de que se ten constancia. Ata esta resposta sabíase de nove falecementos desde o inicio dos traballos en 2001 en toda Galicia, tres deses casos fóra da liña de conexión coa Meseta. Porén, agora o Goberno sinala que só entre Zamora e Ourense ten rexistrados nove casos, dos que tres falecementos, non individualizados nin coñecidos ata agora, debéronse ao que define como "causas non traumáticas". Varias das mortes, as producidas na provincia de Ourense nos últimos anos, están a ser investigadas penalmente por un xulgado de Verín tras unha denuncia da CIG. O Goberno sinala que os índices de accidentalidade nas obras do AVE a Galicia "teñen valores moi inferiores aos índices que rexistra o sector da construción en España"Segundo a información oficial do Goberno, en resposta con data do pasado 4 de febreiro a unha pregunta formulada por En Marea tras o último falecemento do que se tiña constancia, o pasado outubro, aquel sinistro produciuse ao envorcar o camión que conducía o falecido cando se encontraba parado descargando. Segundo o Goberno, a empresa adoptara medidas preventivas correctas e tras o accidente "reforzou mediante charlas dirixidas aos traballadores a necesidade de adoptar as medidas preventivas que xa estaban definidas".O Goberno sinala que os índices de accidentalidade nas obras do AVE a Galicia "teñen valores moi inferiores aos índices que rexistra o sector da construción en España" e, malia as mortes que admite, asegura que nelas "cúmprese rigorosamente a Lei de Prevención de Riscos Laborais". Segundo o Goberno, cando se produce un accidente nunha obra concreta, Adif informa ao resto de empresas para que analicen as súas actuacións e eviten que se repitan sinistros polas mesmas causas.Os accidentes mortais tanto no Eixo Atlántico como na liña á Meseta coinciden cos periodos de maior intensidade das obras en ambas as dúas actuaciónsA primeira pedra do AVE galego, do que daquela non ía ser máis que unha reforma da vella vía entre A Coruña e Vigo, púxose o 21 de xullo de 2001. E a primeira redución considerable dos tempos non chegaría ata a inauguración en 2007 do AVE Madrid-Valladolid, co que o galego, na súa conexión coa Meseta, comparte os primeiros quilómetros entre Madrid e Olmedo. Foi ese mesmo ano, o 7 de setembro de 2007, cando se produciu a primeira morte nas obras en Galicia cando se derrubou un viaduto en construción no Carballiño e morreu un capataz vigués de 45 anos da empresa Comsa e resultaron feridos outros catro traballadores. Aquel primeiro accidente mortal saldouse no xulgado dez anos despois sen culpables penais. Dúas semanas máis tarde un obreiro de Ferrovial de 23 anos de Mazaricos morreu ao envorcar a súa escavadora en Cerceda. E en xullo de 2009 un topógrafo de 27 anos de Salvaterra do Miño foi aplastado por un camión nun túnel en Arcade. Esas tres primeiras mortes, no Eixo Atlántico entre A Coruña e Vigo e na liña Ourense-Santiago, non están incluídas nas nove das que agora informa o Goberno só entre Ourense e Zamora.Eses primeiros anos coincidiron coa maior intensidade dos traballos nas liñas do Eixo Atlántico e Ourense-Santiago, que se puxeron en servizo a partir de 2011. Non volveu rexistrarse outro accidente mortal ata que volveu haber outro incremento notable da actividade, desta volta na liña á Meseta. Foi alí, en Vilar de Barrio, onde o 2 de abril de 2013 morreu un enxeñeiro madrileño de 37 anos de Vías y Construcciones atropelado nun túnel dun treito que acumula todo tipo de irregularidades. Un ano máis tarde, o 15 de abril de 2014, un mecánico asturiano de 53 anos de Copisa faleceu golpeado por unha pa no túnel da Canda, no fronteirizo municipio zamorano de Lubián, sen que a súa morte transcendese en Galicia. E dous meses despois, o 17 de xuño de 2014, un traballador de 42 anos de Sevial Proyectos y Obras morreu ao caer a escavadora que conducía por un noiro entre A Gudiña e Vilariño de Conso.O 15 de setembro de 2015, en Laza, cedeu a cesta dunha grúa na que traballaba un operario asturiano de 31 anos que resultou falecido e quedou ferido grave outro traballador. Durante os tres anos seguintes non se produciu ningún accidente mortal máis ata o falecemento o 28 de xuño do pasado ano dun traballador portugués de 41 anos en Pedralba (Zamora) cando lle caeron enriba uns ferros. E menos de catro meses despois rexistrábase o último accidente mortal do que hai constancia concreta ata agora, ao envorcar cun camión en Laza o 10 de outubro un home de 60 anos de Vilardevós que traballaba para a empresa subcontratada Excanando.A estas nove mortes das que había constancia pública agora o Goberno suma outras tres "por causas non traumáticas". |
NOS_29400 | Acompañado de Núñez Feixoo, o candidato do PP á presidencia do goberno español pediu á veciñanza de Nemenzo que voten para evitar un goberno onde "manden independentistas e proetarras". | Nemenzo é unha parroquia do rural norte do concello de Santiago de Compostela. Tranquila, fermosa e con apenas 200 habitantes, acolleu este sábado o desembarco da caravana do Partido Popular español na campaña electotal para o 28A. Máis de mil persoas, segundo datos da organización, chegaron a Nemenzo de diferentes lugares de Galiza para asistir ao xantar-mitin popular, con Núñez Feixoo e Pablo Casado como protagonistas do cartel. Na súa intervención Núñez Feixoo subliñou que Pablo Casado é o presidente que máis lle convén a Galiza mentres que Pedro Sánchez é o candidato de Podemos, os nacionalistas e os independentistas. Mesmo afirmou que Casado non só é o candidato do Partido Popular senón que tamén "é o candidato de Galiza para a presidencia do Goberno de España". Pola súa banda, Pablo Casado mantivo en Galiza o mesmo discurso que leva meses protagonizando no Estado español: hai unha apocalipse independentista que é a que goberna realmente España grazas a Pedro Sánchez. O líder do PP sacou en Nemenzo toda a artillería: ETA, o perigo catalán, o comunismo... Pediu aos asistentes ao mitin que "rescaten a nación española" e eviten un goberno no que manden "independentistas e proetarras". Nas propostas concretas, prometeu crear un Ministerio de Familia de gañar as eleccións do 28 de abril, así como impulsar un plan de conciliación. Promesas que realizou no marco dun discurso de defensa do modelo tradicional de familia, "o máis importante que hai na sociedade". |
NOS_38248 | Publicamos a seguir um muito interesante artigo do historiador William Blum tirado de resistir.info. A ilustração é do brasileiro Latuff | Em todo o universo daqueles que possuem e dirigem a "United States, Inc." não havia ninguém que mais desejassem ver morto do que Hugo Chávez. Ele era pior do Allende. Pior do que Fidel Castro. Pior do que qualquer líder mundial fora do campo americano porque falava claro e em termos vigorosos acerca do imperialismo estado-unidense e da sua crueldade. Reiteradamente. Constantemente. Dizendo coisas que se supõe que chefes de estado não digam. Nas Nações Unidas, num nível chocantemente pessoal, acerca de George W. Bush. Por toda a América Latina, pois ele organizou a região em blocos anti Império.Os leitores habituais destes relatórios sabem que não costumo ter reacções imediatas de teórico da conspiração. Mas quando alguém como Chávez morre numa idade tão jovem como 58 anos tenho de indagar acerca das circunstâncias. Cancro persistente, infecções respiratórias intratáveis, ataques de coração maciços, um após o outro... É bem sabido que durante a Guerra Fria a CIA trabalhou com afinco para desenvolver substâncias que podiam matar sem deixar qualquer rastro. Gostaria de ver o governo venezuelano seguir todas as pistas de investigação uma vez realizada a autópsia.Em Dezembro de 2011, já sob tratamento do cancro, Chávez perguntou em voz alta: "Seria tão estranho que eles tenham inventado a tecnologia para disseminar o cancro e nós não soubéssemos acerca disso durante 50 anos?" O presidente venezuelano estava a falar um dia depois de a presidente progressista da Argentina, Cristina Fernández de Kirchner, ter anunciado que lhe fora diagnosticado cancro na tiróide. Este aconteceu depois de três outros eminentes líderes progressistas latino-americanos terem sido diagnosticados com cancro: a presidente do Brasil, Dilma Roussef, Fernando Lugo do Paraguai e o antigo líder brasileiro Luiz Inácio Lula da Silva. Fidel sempre me dizia: Chávez tome cuidado. Esta gente desenvolveu tecnologia "Evo tome cuidado consigo. Correa, seja cuidadoso. Nós simplesmente não sabemos", disse Chávez referindo-se ao presidente da Bolívia, Evo Morales, e a Rafael Corre, o presidente do Equador, ambos líderes progressistas.Chávez disse que recebera palavras de advertência de Fidel Castro, ele próprio alvo de centenas de fracassadas e muitas vezes bizarras tramas de assassinato da CIA. "Fidel sempre me dizia: Chávez tome cuidado. Esta gente desenvolveu tecnologia. Vocês são muito descuidados. Tome cuidado com o que come, com o que lhe dão para comer... uma pequena agulha e injectam-no com não sei o que". [1]Quando o vice-presidente Nicolas Maduro sugeriu o possível envolvimento americano na morte de Chávez, o Departamento de Estado dos EUA considerou a alegação absurda. [2]Várias organizações progressistas dos EUA apresentaram sob a Freedom of Information Act (Lei de Liberdade de Informação) requerimento à CIA, a perguntar de "qualquer informação respeitante a planos para envenenar ou assassinar de qualquer outra forma o Presidente da Venezuela, Hugo Chávez, que acabou de morrer".Pessoalmente acredito que Hugo Chávez foi assassinado pelos Estados Unidos. Se esta doença e morte NÃO fossem induzidas, a CIA – que tentou assassinar mais de 50 líderes estrangeiros, muitos com êxito [3] – não estava a fazer a sua tarefa.Quando Fidel Castro ficou doente vários anos atrás, os media de referência americanos implacavelmente conjecturavam sobre se o sistema socialista cubano poderia sobreviver à sua morte. A mesma especulação existe agora em relação à Venezuela. A mente ianque não pode acreditar que grandes massas de povo possam virar as costas ao capitalismo quando lhes é mostrada uma boa alternativa. Isso só poderia ser o resultado da manipulação do público por um ditador, repousando tudo sobre um homem cuja morte marcaria o fim do processo. [1] The Guardian (London), December 29, 2011 [2] Huffington Post, March 7, 2013 [3] http://killinghope.org/bblum6/assass.htm |
NOS_53943 | Terceira xornada consecutiva en que baixa o prezo da electricidade no mercado almacenista. O prezo mínimo da luz para este 1 de maio darase entre as 17 horas e as 18 horas, con 95,05 euros/ MWh. | O prezo medio da electricidade no mercado almacenista baixa este domingo, 1 de maio, por terceira xornada consecutiva, cunha caída do 4,61% respecto a este sábado, e sitúase en 177 euros por megawatt hora (MWh). En concreto, o prezo medio do 'pool' para este domingo situarase nos 177,86 euros/ MWh, o que supón uns nove euros menos que os 186,45 euros/ MWh de media deste sábado, segundo os datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). Valorando algúns datos da electricidade O prezo mínimo da luz para este 1 de maio darase entre as 17 horas e as 18 horas, con 95,05 euros/ MWh, mentres que o máximo para a xornada será de 227 euros/ MWh e rexistrarase entre as 21 e 22 horas. Respecto a hai un ano, o prezo medio da electricidade para este domingo será un 199,63% máis caro que os 59,36 euros/ MWh do 1 de maio de 2021. Os prezos do 'pool' repercuten directamente na tarifa regulada --o denominado PVPC e serven de referencia para fogares e empresas que teñen contratado a súa subministración no mercado libre. Á espera da rebaixa acordada A pasada terza feira os gobernos do Estado español e Portugal arrincaron un acordo coa Comisión Europea para poñer tope ao prezo do gas no mercado almacenista de electricidade da Península Ibérica, que se situará nunha media de 50 euros/ MWh nos próximos doce meses. Acordo entre Bruxelas e o Estado español e Portugal: prezo medio do gas de 50 euros mW/h Con arranxo ao acordo alcanzado co Executivo comunitario, o prezo de referencia do gas fixarase, nun primeiro momento, ao redor de 40 euros/ MWh e marcará un prezo medio de 50 euros/ MWh ao longo dos 12 meses que estea en vigor, o que supón 20 euros máis do tope de 30 euros que propuxeron de saída o Estado español e Portugal. |
NOS_48909 | O obradoiro "O vento que nos trae as palabras" será unha das actividades coas que o escritor Xabier P. Docampo participa na Ludoferia Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil de Valparaíso. A presenza de Xabier P. Docampo súmase á da contadora Paula Carballeira que entra no programa do "Encontro Internacional de contadores de historias". O festival terá lugar do 23 ao 26 de abril. | Dentro do "IV Seminario Internacional de Oralidade, Imaxe e Narrativas" que integra a Ludoferia Internacional de Literatura Infantil e Xuvenil de Valparaíso intégrase o obradoiro "O vento que nos trae as palabras" do escritor Xabier P. Docampo que compón, xunto co ,......contadora, directora e escritora Paula Carballeira a presenza galega no relevante encontro chileno. A Xabier P. Docampo preséntano no festival de Valparaíso como Premio Nacional 1995 por A casa da luz" e un dos máis importantes autores de literatura infantil e xuvenil en lingua galega, ademais de promotor da nos cultura en todos os ámbitos. Destacan tamén a súa presenza internacional no Interantionales Literatura festival de Berlín, así como en feiras do libro de Bos Aires, Máxico ou A Habana ou nos festivais e encontros de narración de Guadalajara, Bos Aires, Beja, Tenerife e agora tamén en Valparaíso. Calofríos de Carballeira Co espectáculo "Historias de calafríos", Paula Carballeira participa no "IV Encontro de Contadores de Historias Valparaíso é un Conto" que terá lugar no parque Cultural de Valparaíso con sesións para todos os públicos polas tardes e para maiores de 14 anos a partir das 20 horas. A intervención de Paula Carballeira xirará arredor do medo, con relatos que buscan estarrecer ao público, conseguir o efecto de terror como o clásico xénero dos contos. "Perseguen o calafrío do momento, unha lixeira inquietude, unha sensación e vento frío que te acariña o pescozo. É despois de escoitalos, unha vez que volves a casa e que pensas que as historias que te acaban de contar xa non ten perigo, cando algo fai que as recorde: un son, un golpe", din na presentación do espectáculo "Historias de Calafríos" de Carballeira. A narradora impartirá ademais un obradoiro no "IV Seminario Internacional Oralidade Imaxe e Narrativas" denominado "Os camiños das historias". No encontro internacional "Valparaíso é conto" participan tamén o xaponés Yoshi Hioki de Japón co espectáculo "Paxaro de cinza", Martín Céspedes de Bolivia con "Ai as fronteiras!", Flora Ovalles de Venezuela con "Con-Textos", Liliana Cinetto de Arxentina, con "Monstros, princesas e outros disparates" ou Alfredo Becker de Chile con "Cántame un conto". |
NOS_6345 | Este 12 de outubro, entre hashtag conmemorativos de hispanidade, unidade e españolidade, coouse en forma de Trending Topic a reivindicación nacional galega. | #GalizaIsNotSpain volveu ser trending topic nas redes sociais. Foi este 12 de Outubro, data denomimada Día de la Hispanidad desde 1958 e antes conmemorada (II República incluída) como Día de la Raza. Unha xornada na que os hasthag e chíos exaltando España agromaron desde primeiras horas. Mais, e pouco a pouco, como se for un furón baixo as liñas inimigas, foise coando un HT que de certo moitos non agardarían: #GalizaIsNotSpain. Se va a liar...😎 #GalizaisNotSpain— Rubén (@montiagudo) 12 outubro 2016 A reivindicación nacional galega ao abeiro desta palabra de orde foi variada e múltiple: desde lemas e consignas independentistas até chíos alabando a gastronomía do país, pasando por outros que defendían os sectores produtivos e o idioma. Non faltaron, claro, os que empregaron o HT para insultar, unhas veces a todos os galegos outras só a aqueles que son nacionalistas, ou para ridiculizar a demanda que se expresaba no Hastahg. Nós, en Galiza, somos máis de MATRIA e queremos FRATRIA, como na canción de Caetano. Todos os dereitos, todas as persoas. #galizaisnotspain— Xavier Campos (@sinheira) 12 outubro 2016 #GalizaIsNotSpain é, pois, trending topic por segunda vez en menos de dous meses. O pasado 1 de outubro este HT lograra tamén escalar aos primeiros postos da táboa das redes sociais grazas a unha voráxine de chíos con ese lema a raíz do impulso de, entre outros, @AldeánsPartido e @arrevesadovideo. Daquela, a propia conta oficial do Partido Popular emitiu un chío para advertir do perigo das ideas que acobillaba ese HT e poñer Feijóo como baluarte contra o independentismo. #GalizaIsNotSpain tamén ten que servir pra reivindicarmos unha localización propia para os TT de twitter.— Aldeáns (@AldeansPartido) 12 outubro 2016 Era mellor aproveitar pa mover os marcos cara León e Zamora agora que os de Madrí están ocupados co #12o. #galizaisnotspain— Cuñado Galego (@cunadogalicia) 12 outubro 2016 |
QUEPASA_580 | Tense que agochar nun portal para que non o paren mentres fala con nós ao tempo que fai a ronda casa por casa. A carreira electoral está na recta final e Manuel Antelo, candidato de Adiante Vimianzo, afronta estes discutidos comicios coa intención de manterse no goberno. | QPC: Disfrutas ou sofres máis estas carreiras electorais? Disfruto por varias cousas, porque é unha alegría o trato cos veciños. A inmensa maioría me trasladan moito cariño, e é a maneira máis directa de estar ca xente. Permíteme recorrerme todo o concello e tomar conta de como están alguhas cousas. Ademais non todo son palmaditas, tamén hai críticas e propostas que enriquecen o noso traballo político. E mesmo fisicamente disfruto, porque consigo baixar algúns quilos e coller algo de color. É un esforzo bastante importante pero para min é unha alegría que me gustaría culminar o domingo. QPC: Afrontas as túas terceiras eleccións, despois de 8 anos de alcalde, as últimas cunha rotunda maioría absoluta. Afrontas estes comicios coa intención de revalidala? Gustaríame revalidala, porque se non temos maioría absoluta corremos o risco de volver ao pasado, e se poñen en risco os avances realizados estes anos como os investimentos estratéxicos, como os espazos públicos para a xente, como o paseo fluvial, prazas, sendas peonís, a rehabilitación do patrimonio municipal…Porque as forzas políticas da oposición xa viñeron demostrando estes anos que dá igual o partido polo que se presenten. Non existen propostas nin ideas, só unha crítica destrutiva e furibunda, e un mal falar. Non existen cirscunatcnias obxectivas que expliquen a necesidade dun cambio. Fumos consolidando un goberno iniciado, unhas liñas estratéxicas e un programa coherente. Houbo grandes conflitos, e somos un goberno que recoñecemos os erros e mantemos unha comunicación coa cidadanía, directamente ou mediante as asociación que nos permite ir mellorando continuamente. QPC: Como afectará a Adiante Vimianzo todo o proceso de saída do BNG e de transformación? Somos a mesma xente con outro nome. Polas circunstancias que se deron seu momento, todo o grupo municipal, por case unanimidade, un 95% do grupo, decidimos darnos de baixa do BNG por discrepancia pola estratexia que se viu en Galicia no discurso ante as prioridades do nacionalismo galego. Pero nós nunca abandonamos o noso programa. Nós seguimos a mesma xente do Bloque, os de sempre. Pero Adiante Vimianzo somos un proxecto local, non localista. Adiante Vimianzo leva 3 anos funcionando correctamente, e os que se marcharon fixérono no último momento, e todos aportaron moito. Todos teñen que recibir o meu agradecemento. Non houbo unha discrepancia real, pero no proceso de renovación de listas, houbo xente que tivo que asumir a necesidade de cambiar. QPC: Que lle parece entón a creación do "novo" BNG de Vimianzo? O BNG de Vimianzo fíxose con xente de fóra. Nas decisións que se tomaron non se fixeron contando cos militantes de Vimianzo. Foi unha decisión de imposición. A min o que me produce é un novo desgusto sentimental porque eu no seu momento lanceille ao BNG propostas de ir en conxunto, que chegaron a Ana Pontón, de cara a sumar votos para a Deputación Provincial, e non houbo ningunha resposta, e montaron unha candiatura no último minuto en base ao resentimento, e iso non pode ser, acaba convertindo a política nun fraude que non vale para nada. Non se pode montar unha lista con xente que non sabe sequera que Vimianzo ten 14 parroquias. Se xa existe unha forza nacionalista de esquerdas que ademais aglutina milintantes do Bloque, que sentido ten montar unha nova lista? QPC: No seu momento formaches parte do Foro Galego que intentou unha unión do nacionalismo e a esquerda galega. Despois do visto con En Marea, é algo algo imposible de acadar? Eu, e falo a nivel persoal, creo que é algo necesario, posible e que debería de ser o traballo a analizar despois do domingo no eido galego. Se o nacionalismo galego é capaz de ser unha forza determinante en moitos concellos, ten que selo tamén a nivel de país. Pero o nacionalismo galego debe de autodeterminarse, non facer seguidismo doutros procesos políticos que son interesantes, que dentro da lóxica son entendibles, pero que non son importables os modelos. En Galicia existe un amplo sentimento galeguista e nacional que hai que convertir nun amplo proxecto político dende e para Galicia, cun amplo programa poítico e social. O que non pode é substiturise a política pola ideoloxía como fan moita xente. É posible que Galicia canalice as ansias sociais de políticas propias e de nacionalismo nunha potente corrente política, pero non pode confundir a estratexia coa táctica, e as alianzas que se fagan en determinados momentos son viables e non teñen que ser tomadas como hipotecas insalvables. QPC: En 2011 conseguíades superar case 30 anos de goberno "socialista", se ben os últimos dous anos de goberno de Alejandro Rodríguez foi como independiente. Cres que a nova candidatura do PSOE bebe máis da nova onda Pedro Sánchez ou daquela política caciquil? O PSOE de Vimianzo é formado por un grupo de independientes, convocados por un alcalde que pretende facer política máis alá do seu concello. Un alcalde e deputado que ademais provocou un escándalo cos criterios de desiguais nas axudas da Deputación. Como se destinan 2 millóns de euros a Dumbría no último ano. Que pasa co resto de concellos da Costa da Morte? Están repetindo políticas como as que fai a Xunta de Galicia cando fai piscinas ou centros de día dependendo a cor do goberno municipal. Eu creo que Pequeño podería perfectamente encabezar unha lista do PP. E volvendo ao PSOE de Vimianzo, non é renovación nin ilusión. Todos sabemos que este grupo é o mesmo que encabezou Alejandro cos Indepententes e que lle deu o relevo á sua sobriña. As súas políticas son de deteiras, e a candidata ten as alforxas moi cargadas, non só ás do seu tío, senón as súas propias, porque en todo o debate político sobre a utilización do espazo público para os intereses privados, ela estaba en primeira fila. Ela era traballadora da empresa adxudicataria dos líos provocados pola a construción da Casa da Cultura, que tan caro que saíu ao Concello. Debería recoñecer primeiro os erros do seu pasado, pero nunca o fixo, polo cal propón un proxecto de retroceso de polo menos 10 anos. Demostrou estes anos na oposición, que só usa discurso do desastre, descalificativo, de conforntación, incapaz de dialogar, ata o punto de que non pode ter unha reunión comigo. E eu creo que a política é precisamente o método do diálogo. QPC: Está tan crispada a vida política municipal como parece dende fóra? En absoluto. É do máis tranquila. Só que cada dous meses, cando hai pleno, a oposición, como non ten propostas, dedícanse a facer un teatro que non se corresponde ca realidade. De feito non houbo grandes conflitos, e os que houbo, por exemplo coa casa que se derrubou en Bamiro, que era un tema no que eu non tiña nada que ver, e toda a oposición centrou as miras, sen sentido, contra min, que tiven que sufrir ademais as acusacións dese señor. QPC: Cal é o proxecto estrella do voso programa? Tratar de revitalizar as nosas aldeas. Neste momento de debate sobre o rural baleiro, temos que traballar para iso. Temos en marcha o proxecto Rural Vivo, que significa todo o conxunto de actuacións, dende a promoción de empresas, a promoción de emprego… pero tamén repavimentación, saneamento, limpeza, ata fomentar a política de rehabilitación de vivendas facemos coas bonificacións. E dende logo tamén temos que aumentar a prestación de servizos, como é o Servizo de Axuda no Fogar, que triplicamos en número de horas que continuaremos prestando e aumentando; ou a Escola Infantil Municipal que para o próximo curso ampliarase unha liña máis, pasando polas políticas culturais e deportivas, que son un atractivo tremendo para que a xente que vén de fóra veña cada fin de semana a enraizarse co pobo. QPC: Que medidas concretas para potenciar o emprego e fixar poboación se formulan no programa? Imos realizar iniciativas de xeito transversar. O parque empresarial é o motor económico do Concello e da Contorna. Se se realiza o enlace coa autovía, dame igual que o faga a Xunta ou o Goberno Central, teríamos un polígono a apenas media hora do Porto Exterior. Se a Estrella Galicia puido escoller Cee, Carballo ou Santa Comba, escolleiiunos a nós, é porque ve algo en Vimianzo. Estamos a investir na adquisición de terreos, para cederllos a empresas que presenten proxecto de creación de postos de traballo que sexan revulsivos. Levaremos un plan de emprego xuvenil, para abordar aqueles sectores da poboación con máis dificultades laborais, programas de actuación que permitan a contratación de persoas novas. Tamén hai que outras propostas de turismo e patrimonio. Temos que ter en conta que o orzamento vai aumentar en 200.000 polos novos parques eólicos, cartos que imos investir nestas cousas. QPC: Vai continuar esa decidida aposta polo patrimonio cultural? Somos o Concello que máis destacamos pola aposta polo patrimonio. De feito, a Deputación levou a cabo dende aquí un proxecto para axudar aos concellos en torno ao parque do megalitimos poidamos ir adquirindo os bens. Creo que o BNG acertou moito nesa liña, e esperamos que non se perda. Para nós é fundamental, porque reincide ademais na contratación de emprego (guías, técnicos…), favorece a creación de novos proxectos turísticos de restauración e hostalería. Por primeira vez Vimianzo ten un relato histórico, a través dunha punblicación gráfica para dar a coñecer o patrimonio de todas as parroquias. Un patrimonio que temos que coñecer primeiros os vimianceses para que todos os poidamos ser embaixadores. E toda esta aposta (arqueoloxía en vivo mesmo no casco urbano, a ruta do megalitismo tan ben sinalada, zonas o Cereixo, a posta en valor dos Penedos…) ten que revertir no turismo, porque ademais de todo isto somos unha encrucillada de camiños, e un distribuidor de xente para toda a Costa da Morte, somos receptores na hostalería e restauración. QPC: A túa lista está formada por Marta Rey, Eugenio Vidal, Jesús Barbeira, Francisco Javier Trillo, José Antonio Vidal, Adela Rodriguez, Jaime Blanco Roget, stepahnie Castro, Manuel Lorenzo, Vanesa Pazos, Francisco Javier García e Ana María Pastoriza.Cales son os puntos fortes do teu equipo? En primeiro lugar temos a hornadez por vangarda. Non levo conta das denuncias que levamos sufridas, pero nunca conseguiron demostrar que somos corruptos, simplemente por que non o somos. É un compromiso ético pero tamén é unha boa e efectiva xestión económica porque a corrupción sempre empeora os recursos público.A honestidade é outro dos nosos valores: somos un grupo que non prometemos, comprometémonos. Procuramos ter un principio de veracidade no que dicimos e facemos.A veracidade: somos traballadores públicos. A cidadanía ten o poder e só os representamos, e temos que escoitar o que necesita o pobo. Non temos que facer un programa de sabios para un pobo inculto. Temos que facer un programa feito polo pobo sabio. Ademais temos a experiencia e a capacidade demostrada. E facemos unha aposta clara polo feminismo, polo papel da muller. Creo que Marta Rey demostrou a súa capacidade, e vai ser unha teniente alcade marabillosa, así como o resto da lista tamén. |
NOS_8626 | Un concello do interior galego como A Pontenova, nacido a partir da fusión de dous municipios ricos en ferro, foi durante décadas un polo industrial e un motor económico da Mariña. Anos despois desa etapa dourada, apóstase no atractivo do patrimonio fabril para buscar as visitas culturais. | Na fronteira entre Galiza e Asturias, lindando con Trabada e Taramundi, hai un misterio por descubrir. A Pontenova é todo un descoñecido para a maioría das e dos galegos, mais este pequeno concello de pouco máis de 2.000 habitantes garda máis historia da que se poida imaxinar calquera cando emprega a nacional que o cruza como zona de paso. Hai máis dun século este recuncho do país foi un motor económico e industrial da Mariña. Hoxe está a renacer como destino turístico grazas a unha ampla visión do que o seu pasado pode achegar ao público interesado no patrimonio, na historia, na cultura e no medio ambiente. É posíbel que algunha xente saiba o nome desta zona pola súa exaltación gastronómica da troita ou porque lle chamaran a atención as chemineas que agardan ao outro lado da ponte conducindo cara a Asturias, pero ofrece aspectos exclusivos na Galiza cuxo valor está por recoñecer. Sen ir máis lonxe ten a única Vía Verde da nación a pesar de que no Estado Renfe contabiliza 161 destes camiños gañados ao balastro e ás travesas. Se ben na oficina de Turismo puntualizan que a Vía Verde do Eo é compartida con San Tirso de Abrés, en Asturias, o certo é que foi creada a partir dunha instalación industrial da Galiza interior. Este é un punto forte do municipio, que leva anos cunha estratexia turística para relanzar a súa economía baseada no fértil pasado fabril. En 1895, cando se outorgou a concesión para abrir e explotar unhas minas de ferro á Sociedade Sucesores de J.B. Rochet e Cía, nin tan sequera existía A Pontenova como tal. Foi a actividade industrial dos municipios veciños de Vilaoudrid e Vilameá a que acabou dando lugar á fusión no que hoxe se coñece como concello. Até nese paso social e económico a zona foi adiantada ao seu tempo. Mais volvendo a vista atrás, hai que pararse a analizar a proxección internacional que conseguiu a bisbarra grazas a unhas minas de ferro e á construción da vía do ferrocarril para embarcar o material no cargadoiro do Porto Estreito de Ribadeo. Todo comezou coa solicitude e a concesión da licenza de explotación entre os anos 1894 e 1895. A construción da vía férrea foi parella á ampliación Cinco anos despois constituíuse a Sociedade Mineira de Villaoudrid "por tempo indefinido e cun capital social de 4.000.000 pesetas" e 49 hectáreas de terreo para extraer o ferro. Xusto un ano máis tarde o accionariado logrou a aprobación para implantar un ferrocarril entre a pequena poboación e Ribadeo. Non había subvencións polo medio pero pouco importaba porque a empresa ía medrar a gran velocidade. Mentres as escavacións e voaduras se sucedían e se daba forma aos dous primeiros fornos de calcinación para transformar o material no produto final que querían as compañías compradoras, tamén avanzaba a vía férrea. Tanto é así que no mesmo ano, en 1903, estreouse o segundo forno e a vía. O 18 de abril partía do que hoxe é A Pontenova a primeira locomotora tirando do mineral. A importancia deste momento a nivel social e económico non foi baldía. Hai que ter en conta, como indican na área de Turismo, que era "o único tren mineiro que houbo na Galiza". "As minas eran das máis importantes que había xunto coas de Viveiro", engaden. O proceso de apertura dos espazos comezaba con maquinaria pesada para que, a continuación, os operarios abriran ocos para a dinamita. As voaduras eran, sobre todo, nocturnas e abrían cavidades de entre "once e quince metros de alto" nas que se recollía o ferro para ser tratado. Era a actividade industrial máis grande dos dous desaparecidos municipios, a que daba de comer a gran parte da cidadanía e permitía, dalgún xeito, a evolución da zona en todos os aspectos. Tamén foi a industrialización que viviu A Pontenova antes e após ser concello. Durante un par de décadas a actividade fabril nun puido ser máis positiva: había dous grupos de minas e, en paralelo, dúas zonas de fornos. As bautizadas como 'Consuelo' e 'Boulloso', do grupo Boulloso, e as orixinais de 'Vieiro', 'Eneas' e 'Luisa', da firma Vilaoudrid. Todo funcionaba tan ben exportando a "Alemaña, Inglaterra, Escocia, etcétera" con mercantes propios que a concesionaria da vía do ferrocarril atreveuse a sumarse ao tráfico de viaxeiros. En 1925 fecharon as explotacións de Boulloso e só quedou un forno en pé. En 1936 a Guerra Civil impediu a circulación de carbón, obrigando a parar a produción porque non había con que converter o ferro no que demandaba o mercado. Dous anos máis tarde houbo certo restabelecemento pero a realidade era que a etapa dourada tiña pasado. Despedida do ferrocarril e intento baladí En 1965 baixou do tren a última clientela e o derradeiro cargamento de mineral. Ao ano seguinte Explotación de Ferrocarrís polo Estado –máis tarde Feve– quedou coa vía para o seu desmantelamento. Din desde Turismo que mesmo daquela, con todo na súa contra, unha equipa de operarios volveu traballar na extracción a través dunha cooperativa. Durante arredor de dous anos mandaban o mineral a Ribadeo en camións, pero esa iniciativa cidadá para manter viva a fonte de diñeiro e emprego da comarca non callou. Nos últimos tempos, desde que o antigo percorrido mudou na Vía Verde do Eo, o Goberno local viu o potencial dun pasado industrial para labrar un futuro turístico. Durante o inverno realízanse itinerarios guiados polos fornos, dos que están rehabilitados os cinco do núcleo da Pontenova e o que quedaba en Boulloso. Tamén se promociona o paseo polo espazo natural incluído na Rede Natura. Non hai que esquecer que se trata da Reserva da Biosfera Río Eo-Oscos-Terras de Burón. "No antigo teleférico vaise facer unha tirolina de 30 metros", avanzan desde Turismo, onde tamén aclaran que hai interese e estudos para poder abrir ás visitas "a mina 'Consuelo'" nun futuro próximo. O problema fundamental é contar con fondos para facer unha obra que asegure por completo o espazo, de maneira que este puidese soportar o acceso de todas as persoas. O novo auxe económico, en semellanza con aquela concentración da actividade "industrial, comercial, social e cultural" na vila, depende de seguir a despregar toda esta estratexia. A historia férrea Os restos que deixaron as empresas explotadoras das minas foron rehabilitados e son un atractivo turístico máis. Pero tamén hai que botar unha mirada ao pasado para tirar conclusións da extracción do ferro. Foi na conca do río Eo onde se mineralizou o ferro a maior escala e, por iso, buscouse o asentamento da Pontenova para localizar os máis grandes e antigos depósitos de mineral na terra. O ferro extraído foi un dos primeiros en operar no mercado internacional. O fechamento da industria non implicaba que non quedase nada que extraer, senón que outros países foron entrando no xogo mercantil. O encanto da ruta A Vía Verde do Eo tamén se coñece na contorna como a ruta do ferrocarril –pois puxéronse en marcha un total de seis itinerarios para atraer as e os siareiros do sendeirismo– e pasa por lugares moi interesantes. Quer desde un punto de vista patrimonial, quer desde o prisma medioambiental, este paseo de 12 quilómetros faise moi interesante. Desde Turismo da Pontenova aclaran que está accesíbel un terzo do antigo trazado do tren, desde a oficina de Turismo da Pontenova até a estación de San Tirso, reconvertida nunha vivenda particular. O lado de Ribadeo Dúas terceiras partes do trazado daquel ferrocarril mineiro, que tamén decorren por Asturias, continúan desaproveitadas. Dise que nos plans do concello de Ribadeo houbo interese por abrir camiño cara a Vía Verde do Eo desde o seu lado. O problema é que polas zonas sobre as que habería que actuar hai canalizacións de auga e outros servizos. Mesmo o municipio de Trabada podería tirar partido dunha estratexia turística a tres bandas que, de momento, parece improbábel. Esta peza publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa. |
PRAZA_20431 | A Xunta dixo que transformaría 400.000 toneladas ao ano pero a empresa limítaa agora a 70.000. Medio Rural di que será ampliada, pero non dá prazos. HEMEROTECA | Feijóo anuncia a un mes do 25-S unha industria láctea que non operará ata 2019 | HEMEROTECA | Feijóo anuncia a un mes do 25-S unha industria láctea que non operará ata 2019 O 31 de agosto do ano pasado, poucos días antes das eleccións autonómicas do 25 de setembro que volvería gañar, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuníase cuns empresarios e anunciaba a construción dunha nova industria láctea en Curtis "con capacidade para transformar máis de 400.000 toneladas de leite" ao ano, o 17% do total que produce Galicia. "Suporá un investimento de preto de 70 millóns de euros", dicía o Goberno galego daquela. Agora a empresa, Goodleit, constituída medio ano antes, vén de someter o seu proxecto a información pública e as súas cifras caen notablemente a respecto do prometido. Terá capacidade para 70.000 toneladas ao ano, menos dunha quinta parte do prometido, e só a construción da planta suporá un investimento de 18,5 millóns, unha cuarta parte. A Xunta dixo que transformaría 400.000 toneladas ao ano pero a empresa limítaa agora a 70.000. Medio Rural di que será ampliada, pero non dá prazos. O documento co que a empresa vén de iniciar a avaliación ambiental do seu proxecto, que se instalará nunha parcela xa urbanizada do polígono industrial de Teixeiro, en Curtis, revela que as cifras ofrecidas pola Xunta a poucos días das eleccións do pasado 25 de setembro quedan moi grandes. A propia empresa fala de posibles ampliacións futuras, pero salienta que de producirse deberían de someterse novamente a unha avaliación ambiental como a que agora comeza para o seu proxecto inicial. Este consistirá nunha planta con capacidade para procesar unhas 70.000 toneladas de leite cru ao ano, cifra que queda moi lonxe das 400.000 anunciadas pola Xunta, que salientaba que suporía o procesamento do 17% dos 2,5 millóns de toneladas que produce Galicia cada ano. A cifra que emprega agora a empresa suporía o 2,8%. A descrición que fai a propia empresa do seu proceso de recepción do leite da unha mostra das dimensións reducidas do proxecto. A planta contará cun único punto de recepción de cisternas e espazo para un máximo de catro "en futuras ampliacións". Poderá descargar unha cisterna cada hora "durante as 8 ou 10 horas de recepción de leite", di, para engadir noutro punto que o tráfico de camións será de "11-12 ao día, que poderían ser ata 70 en futuras ampliacións". Con esa capacidade inicial, a planta terá unha capacidade de procesamento "de entre 160 e 200 toneladas de leite cru" cada día. Noutro punto da súa memoria a propia empresa cifra en "70.000" as toneladas anuais a procesar. Canto á saída do produto xa elaborado, a empresa di que os camións de carga de "produto final" serán "1-2 ao día, que poderían chegar a 6-7 en futuras ampliacións". Feijóo na recepción aos empresarios de Goodleit o pasado 31 de agosto, xusto antes das autonómicas do 25-S A Consellería de Medio Rural xustifica que esta é "unha planta inicial que terá ampliacións" e mesmo eleva a promesa de leite a tratar nun futuro, pero non achega prazos Cando a Xunta publicitou en precampaña o proxecto, que a oposición e parte do sector lácteo cualificou de propagandístico, o Goberno galego dixo que a planta "suporá un investimento de preto de 70 millóns de euros". Aínda que o proxecto que agora vén de facer público a empresa se centra só na construción material da planta, sen indicar outros custos como o equipamento, os laborais ou administrativos, o investimento cae agora a 18,5 millóns de euros. Este diario preguntou este martes á Consellería de Medio Rural pola rebaixa das cifras agora feitas públicas pola empresa a respecto das anunciadas polo propio Goberno galego xusto antes das eleccións. A consellería xustifica que esta é "unha planta inicial que terá ampliacións, xa que o proxecto completo vai en varias fases", pero non aclara por que a avaliación ambiental agora en marcha non se fai do total. Medio Rural insiste en que "o obxectivo que queren alcanzar é de 430.000 toneladas, fito que se poderá levar a cabo cando a fábrica estea funcionando ao 100%", elevando así aínda máis a cifra ofrecida hai un ano e que a empresa agora non ofrece, e sen achegar prazos. |
NOS_29076 | Especialmente dedicado ás persoas que non poden ir aos seus concertos. Así vai ser o concerto que Sés e a súa banda ofrezan na tarde do domingo a través da Rockbox Overdrive Shop da Coruña, aberto a todo o público a través da canle de Youtube. | Sés ofrece este domingo un concerto inusual. E é que retransmitirá a través da internet, en aberto, en directo, e para todo o planeta o seu recital. Farao a través da canle de Youtube da Rockbox Overdrive Shop da Coruña. Trátase este dun concerto especial, á marxe da xira Tronzar os valos, na que presenta ao longo do país o seu terceiro disco. Polo de agora, con esta xira leva 65 concertos ás costas. E non só na Galiza, tamén pola península e en países Europeos. No seu terceiro disco, Sés mestura as enerxías do rock coa canción de autor de Latinoamérica, en doce temas combativos. |
PRAZA_14292 | O equipo mariñao vén de debutar na Primeira División de fútbol sala, onde Galicia presume de ser a autonomía máis representada. O conxunto lucense presume tamén de ser o único club do Estado cun conxunto na elite masculina e feminina. | Con algo máis de nove mil habitantes, unha pequena vila da Mariña lucense presume de equipo. O seu conxunto de fútbol sala, o Burela Pescados Rubén, vén de debutar a pasada fin de semana na máxima categoría masculina. Os rapaces fixeron a súa estrea a pasada fin de semana nunha Primeira División na que Galicia pode presumir de ser a autonomía con máis representantes, ao unírense os lucenses ao Santiago Futsal e ao Azkar Lugo. Nas mesmas datas, o conxunto feminino disputou a primeira xornada, tamén na división de honra, dunha disciplina que nesta localidade mariñeira só ten unha cor: a laranxa. A da súa marea e a dun club orgulloso por moitos motivos. Burela é o único equipo do Estado que conta cun equipo feminino e outro masculino na Primeira División de fútbol sala Porque o Burela é o único conxunto do fútbol sala estatal que pode presumir de ter dous equipos na Primeira División. O feminino e o masculino. No caso deste último, e logo de múltiples intentos e promocións de ascenso, as dificultades económicas doutros clubs servíronlle para acceder a unha máxima categoría da que a vila mariñá xa gozara antes co antigo Cefire, ata que este cambiou a localidade burelá pola veciña Viveiro. "Conseguímolo na pista porque se non chegas á última rolda do play-off, non che corresponde a praza", aclara José Ramón González, presidente dunha entidade que comezou a tempada cunha derrota na casa que non descendeu nin un chisco a ilusión. Ninguén se rendeu cando o antigo Cefire marchou e en tan só once anos, logo dunha refundación, a máquina laranxa regresou á división de honra. Non o fixo na estritamente na pista, aínda que o merecera por méritos deportivos e económicos, os dun club saneado, exemplar na aposta pola canteira -move 200 deportistas no club e conta con escolas deportivas nas que se ensinan tamén "valores e compañeirismo"- e inigualable en apoio social. Un de cada dez habitantes de Burela é socio do seu club de fútbol sala, que conta con afeccionados en toda A Mariña e en Asturias Abonda un dato. Ten preto dun milleiro de abonados, o que supón que un de cada dez habitantes de Burela é socio do equipo de fútbol sala, e os seus partidos na cancha de Vista Alegre adoitan ser tan espectaculares na pista como nas bancadas. Iso, se só tivese afección da súa vila. "Temos socios e afeccionados en toda a Mariña e incluso hai seareiros que veñen cada fin de semana desde Asturias para animar o equipo", engade o máximo dirixente do conxunto burelao. A marea laranxa, esa que deixa a gorxa animando os seus, tampouco se rendeu nunca. Esa é unha das claves dos éxitos dun club que case multiplicou por dez o seu número de socios desde que se fundara hai once anos e que en categoría masculina chegou a disputar cinco play-offs na busca da elite. As rapazas, que debutaron como equipo na nova División de Prata hai catro anos, fixeron a súa estrea na elite en 2011, logo de acadar tamén as semifinais da Copa de España. E como se consegue un éxito así? A clave, lembra González, é esa masa social e o apoio constante. Ano tras ano. "Todo se logra grazas á implicación de moita xente, empezando pola directiva, pero tamén grazas a unha masa social se cadra máis implicada e ao apoio empresarial e institucional; sen os folgos que nos dá a nosa afección e a súa fidelidade, non valería a pena matarse por este proxecto", asegura. "Sen a implicación da masa social e a súa fidelidade, non valería a pena matarse polo proxecto", di o presidente E en tempos de crise, as cousas fanse máis complicadas, pero o apoio segue. "É moi meritorio que patrocinadores e institucións sigan confiando en nós na situación actual, porque hai menos cartos, privados e públicos, pero aqueles que nos confían en nós ven que hai un retorno importante, o que o fai todo máis fácil", insiste. O obxectivo, sen dúbida ningunha, "é asentar o club na elite". Afección haina e ilusión tamén. O equipo masculino procurará "lograr a permanencia" nunha tempada na que non hai descensos directos, pero si un posto de promoción que o conxunto laranxa "ten que intentar evitar". No caso das rapazas, e logo dos éxitos dos últimos anos, o propósito é "polo menos repetir o xa acadado". "Pero sempre cos pés no chan", aclara o presidente, que sabe que a ilusión móveo todo nesta entidade. Como cando se propuxeron regresar á elite hai once anos. "Aquela ilusión que tiñamos e o feito de ir ascendendo ano a ano, fíxonos incluso pensar que o poderiamos acadar antes; esa era a nosa esperanza, pero as cousas chegaron ao fin e ás veces, dos malos momentos é de onde saen as mellores oportunidades. Agora hai que consolidarse", remata. Por ganas non será. A marea laranxa vén chea. |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.