ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_22052
O plan prevé a compra de até 60.000 millóns ao mes até 2016.
Mario Draghi, presidente do Banco Central Europeo (BCE) anunciou esta quinta feira (22 de xaneiro) un programa financeiro para a eurozona no que se mercará activos públicos e privados. O plan prevé a compra de até 60.000 millóns de euros ao mes mais terá os seus límites, segundo explicou Draghi. Desta maneira non se adquirirá máis do 33% dun emisor e non máis do 25% dunha emisión. Neste senso, o BCE inxectará durante 19 meses arredor de 1,1 billóns de euros cos que a institución visa paliar a deflación e premer á baixa a cotización do euro fronte ao dólar á fin de favorecer as exportacións. "Imos mercar débeda soberana até unha porcentaxe que permita a formación de prezos", subliñou o presidente do BCE. Segundo explicou Draghi en comparecencia de imprensa trátase dun programa "necesario" que estará vixente "até que vexamos un axuste sostido da inflación" próxima ao 2% "a medio prazo", precisou. A compra de débeda efectuarase através dos bancos centrais dos estados membros, unha fórmula que se axusta á tese defendida por Alemaña. Neste senso, o conxunto da unión monetaria asumirá o 20% dos riscos asumidos con cada compra mais o groso, o 80%, será enfrontado por cada Estado membro. Reformas A medida non virá exenta de reformas lexislativas. Así, Mario Draghi lembrou a algúns Estados Membros que as mudanzas na política monetaria deberán acompañarse "con rápidez" de reformas estruturais. Entre elas, indicou, modificacións no mercado de traballo e aqueloutras que favorezan a actividade económica e os investimentos empresariais. No entanto, puntualizou que a institución manterá os tipos de interese como até o de agora, ao 0,05%.
PRAZA_12022
De tódalas anécdotas persoais e escoitadas sobre ese home -diminuto de corpo e inmenso de espírito- que vén de deixarnos e responde ao nome de Isaac Díaz Pardo, quedo coa da súa inmortalidade. Contouma unha hoxe magnífica xornalista e na miña cabeciña converteuse en mito.
De tódalas anécdotas persoais e escoitadas sobre ese home -diminuto de corpo e inmenso de espírito- que vén de deixarnos e responde ao nome de Isaac Díaz Pardo, quedo coa da súa inmortalidade. Contouma unha hoxe magnífica xornalista e na miña cabeciña converteuse en mito. Vai xa para dúas décadas que ela chegou a Santiago para facer as probas do selectivo procedente dunha aldea do Nordés. Paseaba pola rúa do Vilar nun dos descansos entre os exames cando ficou abraiada ante a figura miúda dun home atrapado no seu eterno gabán negro. O home observou a súa expresión de sorpresa e sorriu. É vostede Isaac Díaz Pardo?, preguntou a rapariga. Son, respondeu el, por que pos esa cara? Ai, don Isaac, e que eu pensei que levaba vostede morto unha ma de anos… El, retranqueiro, disque volveu sorrir antes de se perder entre a néboa do labirinto de pedra. A miña xeración sempre pensou a Isaac Díaz Pardo morto e eterno, como os grandes nomes da Historia cos que tropezabamos unha e outra vez no libro de Ciencias Sociais. Non era posible que aquel home agulla tan grande en traxectoria e humildade aínda permanecese vivo. El tamén o sabía. Isaac, como tamén Fernández del Riego nos seus derradeiros alentos, sabía que o seu reino –república, xaora- non era xa deste mundo, que el pertencía a outra estirpe da que xa só quedaban vestixios e que o seu nome tiña máis cabida nos libros de Historia ca nos xornais. Por iso reclamaba que o deixasen ir. Así e todo, teimudo infinito, advertiu que daría guerra ata o estertor último. Era o seu pulso turrón por defender o que cría. Nos últimos anos veño escoitando reiteradamente a frase "cousas de Isaac" para se referir as súas boutades en actos públicos e privados. Con xesto impávido só na aparencia, as autoridades políticas empregaban ese escudo contra as diatribas irónicas e intelixentes do vello Isaac, nun intento sempre infrutuoso de desacreditar a súa lucidez. Porque el era o neno que anunciaba que o rei estaba espido. Así Isaac, con esa mirada avesada e luminosa, ríase de todos e de todo, coa sabedoría eterna de quen tivo que ollar de fite a morte e burlarse dela. Porque el foi un supervivente, non só á guerra civil que lle arrincou ao seu pai e o converteu en fuxido senón tamén a todos os "non" que escoitou en vida e aos que tivo que se arrepoñer. Cando ninguén cría en nada el creu nun país que nin sequera hoxe cre en si mesmo. Cando penso a Isaac penso no cartel "Para arrematar cos caciques, cando votedes o Estatuto poñede SI". Penso tamén no seu SI maiúsculo na Praza do Obradoiro, esa pintada adolescente en prol do Estatuto de Galicia espetada na cerna de Galicia, entre o Pórtico da Gloria e a Casa da Tumbona que o viu nacer. Penso que ese SI ía moito máis alá da lei que nos serviría de pedra angular e marcou profundamente a súa vida. El sempre había ser un SI fronte a calquera contratempo. El había ser o si, o Guliver no país dos ananos da emigración que denunciou Celso Emilio Ferreiro. El había ser o si cando ninguén cría nunha empresa azul cobalto esmaltada por mulleres. El había ser o si cando sacou do prelo a memoria que nega o silencio cómplice das gabias nas súa Edicións do Castro. El había ser o que turraba por construír e dignificar as mulleres, esas que levan cousas enriba da cabeza. No seu óleo "Muller que leva na cabeza as cousas que vai necesitar na vida" de 1974 vai o peso do mundo enteiro. Manuel Rivas homenaxeou -na serie pictórica que o escritor atribúe á protagonista Chelo Vidal en Os libros arden mal- esta esencia pura da obra de Isaac. Eis a súa fe laica nas mulleres –sempre condenadas ás sombras- que levaron durante séculos o peso da economía e da Historia deste país. As mesmas que pintou o seu "irmán" Seoane e quen converteu con breves trazos e cores profundas en metáfora inmorredoira. Ese SI era tamén Isaac. El houbo ser o si cando todo e todos dixeron non. Por iso eu, que son da xeración que creu a Isaac morto de tan eterno que xa nos era, quero lembralo como o Si sobre as lousas do Obradoiro cando era apenas un adolescente. A memoria de Edicións do Castro. O azul cobalto no bico das mulleres de Sargadelos. O Laboratorio de formas. O IGI e os seus rostros amigos. O berro contra a traizón dos que un día o quixeron. O cordón umbilical que nos unía á Alba de Groria de Castelao. O "Galicia" recuperado, un dos seus "fracasos" e que temos o deber moral de recuperar baixo esa ou outra cabeceira. Debémosllo. Se el puido construír o seu imperio de louza nun tempo convulso onde todo escachizaba aos seus pés nós habemos ser capaces de turrar pola polifonía neste deserto monocorde. Pero sobre todo, na miña cabeza Isaac será sempre o Profeta Daniel que sorrí retranqueiro no alto do Pórtico da Gloria, quen sabe se pola voluptuosidade da raíña de Sabá ou porque sempre se soubo profeta nun tempo estéril. Un vedoiro irónico con áncora na Historia e ollar que atravesa os séculos para construír o presente e termar da proa cara o futuro. Curiosamente, así tamén o viu a pasada semana Artemio Lándoas na súa ilustración de Praza Pública. Isaac, que xa era pasado, fixo sorrir a pedra viva e latexante contra os que a desexaban e seguen a desexar epitafio mudo. Xusto alí no vértice do trapezoide da memoria que une a Catedral coa Casa natal da Tumbona da Rúa de Hortas, o prelo de Ánxel Casal da Rúa do Vilar e o seu SI eterno na Praza do Obradoiro, ese que piso cada día sabendo que, grazas a el, máis alá das lousas, piso soños. Os do SI a este país que turra en ser non. Hoxe ben cediño, ollaba eu o Pórtico da Gloria cando a lúa inmensa non abandonara aínda o ceo e pareceume que o profeta Daniel furaba co seu ollar avesado e sorriso retranqueiro a mordaza das estadas. Isto son cousas de Isaac, pensei. Cousas do Isaac. E atravesei a Praza do Obradoiro procurando non esmagar co meu propio peso as faíscas dos desexos. *Texto lido na homenaxe a Isaac Díaz Pardo organizada Museo do Pobo Galego o día 15 de febreiro de 2012
NOS_42633
A partida aparece nos Orzamentos Xerais do Estado pero hai que rematar as particularidades do novo bono, cuxa normativa será aprobada nas próximas semanas se ben terá efecto retroactivo, polo que as persoas beneficiarias cobrarán os atrasos desde o 1 de xaneiro.
O Goberno do Estado español vén de confirmar esta segunda feira, 3 de xaneiro, que o novo bono do alugueiro será aprobado nas próximas semanas pero que, malia o atraso, terá carácter retroactivo desde o día 1 deste ano. Isto implica que malia que o apoio económico chegue tarde, chegarán tamén as semanas ou meses que xa pasaran para compensar a economía das persoas que resulten beneficiarias. Así o explicaron fontes do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que aclararon que quedan algúns detalles por aclarar. A bolsa será de 250 euros mensuais para as persoas e a partida destinada a esta medida é de 200 millóns de euros, con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado deste exercicio. Requisitos mínimos Mais o importante, primeiro, é saber quen poden optar a esta subvención do Estado español? Un dos requisitos que se vai comprobar á hora de outorgar a contía mensual é que as persoas solicitantes teñan entre 18 e 35 anos. Así mesmo, se a demandas terás que demostrar que contas cun contrato laboral que non implique ingresos de máis de 23.725 euros ao ano. Por outra parte, o bono será de titularidade persoal e non ligado a cada vivenda. Tamén en materia de vivenda, o Executivo español anunciou que prevé levar ao Consello de Ministros o anteproxecto da Lei de Vivenda proximamente.
NOS_29956
Argumenta o diario madrileño, próximo ao PP, mais crítico con Rajoy, que "hai fallos de seguridade desde o momento en que o sistema permite que un tren que supera os 200 quilómetros por hora fique ao chou dun posíbel despiste humano".
Nun editorial intitulado "Adif e os maquinistas asumen que hai fallos no sistema de seguridade", o diario que dirixe Pedro J. Ramírez afirma que "xa que é imposíbel devolver a vida ás vítimas, hai que garantir que un accidente así non volte a producirse". Iso implicaría, argumenta, a revisión da seguridade "en toda a rede ferroviaria", como por outra banda terían anunciado xa "os responsábeis da infraestrutura". Os fallos no sistema de seguridade, razona El Mundo, non quita para que "o profesional que estaba aos mandos do comboio na traxedia de Santiago non teña responsabilidade no sucedido".
NOS_22295
A ANC afirma que fican xa poucos espazos por encher para conformar unha senyera xigante que unirá as rúas Diagonal e Gran Vía de Barcelona.
A dous días de se celebrar a Diada, a Assemblea Nacional Catalana ultima os preparativos da acción que organizan con motivo do Día nacional de Catalunya e que leva por lema 'Ara és l'hora' (Agora é a hora). Desta volta, a ANC convoca o pobo catalán a conformar unha 'V' xigante nas rúas Diagonal e Gran Via e anunciou que xa suman máis de 450.000 as persoas inscritas. Segundo informan no seu sitio web máis do 50% dos tramos en que se dividen as rúas están cheos e só o 1,4% conta con "pouca" xente. Neste senso, desde a ANC animan a todas as persoas que queiran facer parte da 'V' que se inscriban en aras de facilitar a organización. E é que @s asistentes formarán unha senyera xigante para o que será preciso definir con minuciosidade as cores que portarán cada unha das nove ringleiras que contén a bandeira catalá. Con camisolas feitas para a ocasión a multitude encherá de cor as dúas principais vías da cidade condal para reclamaren o dereito a decidir do pobo catalán o vindeiro 9 de novembro. Este 11 de setembro adquire un importante valor simbólico para @s catalás pois queren facer deta mobilización "a máis grande de Europa", sinalou Carme Forcadell, presidenta da ANC. E queren que así sexa para que esta Diada se torne a "definitiva", explicou, antes da consulta independentista. Imaxe capa: renArt.
PRAZA_9953
Pide o voto para o PP por contraposición ao resto de partidos e tras limitar a exposición de promesas propias aos primeiros días da campaña, cando se centrou en apostar por un maior financiamento estatal contra o avellentamento no rural
Pide o voto para o PP por contraposición ao resto de partidos e tras limitar a exposición de promesas propias aos primeiros días da campaña, cando se centrou en apostar por un maior financiamento estatal contra o avellentamento no ruralOs mitins electorais adoitan ser arengas emocionais para os propios simpatizantes xa convencidos, pero os partidos intentan lanzar neles tamén propostas concretas que saian das portas do pavillón de deportes ou auditorio no que se pronuncian e cheguen a outros posibles votantes. De momento, a campaña que está a realizar o presidente Feijóo está a centrarse na primeira faceta, a emocional, fronte á exposición de medidas, limitadas aos primeiros días, cando se centrou en apostar por un maior financiamento estatal contra o avellentamento no rural.O líder dos populares galegos está a ter unha axenda de campaña similar ás de comicios anteriores de todo tipo, con varios actos de partido cada día e cunha notable redución da súa axenda institucional como presidente da Xunta. Unha tónica que só alterou os días festivos da Semana Santa, nos que desapareceu por completo. Antes, foi nos primeiros días da campaña cando Feijóo concentrou as poucas propostas ou promesas electorais concretas que o PPdeG quixo transmitir ata o de agora. "Ante o problema demográfico, é preciso un modelo de financiamento que prime a dispersión e o avellentamento de lugares como Galicia e cunha política fiscal que priorice vivir no rural", é a principal proposta do PPdeG nesta campañaFoi o luns 15, nunha explotación gandeira de Lugo, cando os populares expuxeron de xeito máis claro unha proposta electoral concreta, salientando que "ante o problema demográfico, é preciso un modelo de financiamento que prime a dispersión e o avellentamento de lugares como Galicia e cunha política fiscal que priorice vivir no rural" e avogando "por unha lexislación que dea prioridade ás tramitacións das industrias que se queiran implantar no rural; por un plan para a xestión das crises agrarias e a estabilización das rendas; por acceso a Internet, para continuar homologando as condicións de vida no ámbito rural e urbano; e porque o interior de Galicia estea no mapa coas mesmas infraestruturas que outros lugares de España". Un día antes, o rural e a demografía xa centraran as propostas de Casado no seu único mitin en Galicia con Feijóo, nunha parroquia de Santiago. E ao día seguinte, nos mitins de Feijóo en Xinzo de Limia e Moaña, rematou o intento do PPdeG por lanzar propostas concretas durante a campaña, insistindo na mesma mensaxe dun "financiamento autonómico que teña en conta que prestar os servizos aos maiores e nos pobos ten un custo superior que hai que afrontar" ou presentando políticas demográficas desenvolvidas pola Xunta como exemplo a estender a nivel estatal.As intervencións de Feijóo están a centrarse, ademais de en presentarse novamente a si mesmo como o principal aval das políticas do PP, en pedir o voto para Casado en contraposición ao resto de candidatosE aí remataron as propostas. A partir daquela, o PPdeG vén primando as mensaxes electorais emotivas fronte ás propostas concretas. As intervencións de Feijóo están a centrarse, ademais de en presentarse novamente a si mesmo como o principal aval das políticas do PP, en pedir o voto para Casado en contraposición ao resto de candidatos, ao que atribúe todo tipo de males e asegurando que só o PP "é o único partido con solucións aos problemas de España". Pero sin detallar cales son esas solucións. Os electores deben votar ao PP, di Feijóo, "porque é un valor seguro para a creación de emprego, o crecemento da economía, a responsabilidade, a xestión e a unidade de España", pero sen amparar esas afirmacións en datos ou promesas concretas. A idea máis repetida polos populares galegos é a de que, fronte aos supostos intereses espurios do resto de opcións, o do PP será "un goberno que goberne". Pero sen detallar con que medidas.
NOS_48241
A Asociación de Pacientes do CHUS denuncia o caso dun paciente que estivo 813 na lista de agarda estrutural malia que nos últimos rexistros do Sergas non figuraba ningunha persoa na listaxe de uroloxía deste hospital con máis de doce meses de espera.
A Asociación de Pacientes e Usuarios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) vén de denunciar que un paciente estivo dous anos, dous meses e 23 días en lista de agarda estrutural para unha intervención cirúrxica de uroloxía. A persoa afectada, A. V. P., explica nun escrito que foi intervida en agosto de 2016 dunha frenectomía no servizo de uroloxía do CHUS, "cun resultado totalmente satisfactorio". Posteriormente, someteuse a outras dúas operacións relacionadas coa mesma doenza. Nas revisións realizadas nas consultas externas, "conclúese que todo está ben". Mais o paciente en cuestión apreciou que a postectomía, a última intervención que se lle practicou, non fora realizada "correctamente". "Dado que non estaba satisfeito coa valoración do resultado da operación, vinme obrigado a acudir e pagar do meu peto un especialista privado, que me confirma que era necesaria unha nova intervención para reparar o traballo defectuoso e tapar un dos canos que deixaron abertos de máis", sinala. En consecuencia, solicitou unha consulta co especialista do CHUS, e, após se someter ás probas precisas, foi incluído na lista de espera para unha nova intervención cirúrxica o 12 de novembro de 2019, cando entrou na listaxe estrutural. "E aí estiven 813 días, até o 2 de febreiro de 2022, cando son intervido novamente", sinala, ao tempo que considera que a demora "atentou" contra o seu dereito a "ser atendido no tempo máximo previsto legalmente", así como pola "denegación da asistencia á que tiña dereito" durante eses máis de dous anos. As listas de espera do Sergas non reflicten a realidade "O testemuño de A.V.P. non só supón a vulneración do artigo 5.1 do Decreto 104/2005, do 6 de maio, de garantía dos tempos máximos de espera na atención sanitaria, que estabelece 180 días de tempo máximo de espera garantido para doenzas sen preferencia ningunha, senón tamén a falsificación das listas de espera publicadas a 30 de xuño de 2021, nas que se informa que no servizo de uroloxía do CHUS non existen pacientes con espera superior a 365 días, malia que o testemuño do paciente e a ficha da súa incorporación á lista de espera estrutural acreditaban nese momento unha espera de 596 días", lamenta a Asociación de Pacientes do CHUS. O colectivo asegura ter constancia, "por denuncias anteriores", do "incumprimento" dos tempos máximos en uroloxía, "incluso para pacientes con preferencia na atención", algo que ao seu xuízo é "unha proba manifesta da insuficiencia dos medios dispoñíbeis para atender a demanda asistencial e garantir o exercicio efectivo dos dereitos recoñecidos". "Agora constátase, ademais, que se altera a información que se fai pública para evitar recoñecer os fallos", sentencia a asociación.
PRAZA_20230
A chave do mesmo non é illar a Qatar senón a Irán, o verdadeiro poder emerxente na rexión. Nesta estratexia concordan os intereses de Arabia Saudita, EUA e Israel, moi visibles trala recente xira rexional do presidente Donald Trump.
A inesperada e ata surrealista crise diplomática con Qatar liderada por Arabia Saudita non deixa de ser un acto significativo sobre os intensos pulsos xeopolíticos que están transformando o mapa de Oriente Próximo. A chave do mesmo non é illar a Qatar senón a Irán, o verdadeiro poder emerxente na rexión. Nesta estratexia concordan os intereses de Arabia Saudita, EUA e Israel, moi visibles trala recente xira rexional do presidente Donald Trump. Este triángulo Riad-Washington-Tel Aviv, fortalecido polos recentes acordos militares de Trump co reino saudita, interpreta o revival da doutrina "neocon" na Casa Branca, cuxo epicentro de orientación está enfocado en conter o crecente peso xeopolítico iraniano. Non é, por tanto, casualidade que esta crise diplomática con Qatar véxase contextualizada con dos acontecementos igualmente inesperados. O primeiro, os estraños atentados terroristas acaecidos en Teherán (7 de xuño) contra o Parlamento e o mausoleo do aiatolá Ruhollah Jomeini. Un comunicado do Estado Islámico reivindicou este atentado. O segundo suceso ten que ver coa posta en marcha da operación militar en Raqqa (Siria), capital de feito e principal reduto do Estado Islámico, por parte das Forzas da Siria Democrática (FSD), unha alianza de circunstancias formadas por milicias kurdas e árabes co apoio da coalición internacional. Con todo, unha serie de perspectivas de carácter xeopolítico gravitan na súbita suspensión de relacións diplomáticas con Qatar do pasado 5 de xuño. Liderados por Arabia Saudita, a suspensión de relacións diplomáticas por parte doutros aliados sauditas como Emiratos Árabes Unidos, Exipto e Bahréin, propiciou un inédito peche das súas fronteiras terrestres con Qatar, así como do espazo aéreo e marítimo. A suspensión de relacións diplomáticas con Qatar ampliouse cara outros países como Libia, Maldivas e Iemen, todos eles baixo o radio de influencia xeopolítica e económica saudita. Con isto se tramita a crise política mais grave existente no seo do Consello de Cooperación do Golfo Pérsico (CCGP). A mesma reproduce a iniciativa saudita de illar ao seu sempiterno rival iraniano a través dun flanco colateral como é o caso qatarí. Con isto, Riad reforza a súa iniciativa de romper relacións diplomáticas con Teherán, acaecido en xaneiro de 2016. A "Doutrina Trump" Pero a peor crise política contemporánea no estratéxico Golfo Pérsico traduce outras variables. No transfondo está establecido un sórdido pulso de intereses xeopolíticos que ben puidera ilustrar unha alianza in crescendo entre Arabia Saudita, EUA e Israel, co foco na contención de Irán. Cómpre por tanto observar cales foron as razóns aparentes desta inesperada crise diplomática. A recente visita de Trump a Arabia Saudita e Israel levou unha mensaxe contundente: a necesidade de illar a Irán e acabar con aquelas "ideoloxías radicais" como o xihadismo salafista, tal e como expresou o propio Trump. Por tanto, a concreción de intereses confirmouse unha vez se consumara a ruptura diplomática con Qatar. O propio Trump suxeriu a través de Twitter que esta crise ben podería ter sido provocada pola súa "liña dura" contra esas "ideoloxías radicais". E así, o epicentro de la atención enfocouse en Qatar. Resulta, por tanto, sumamente curioso o leitmotiv saudita. Tanto como a propia Arabia Saudita e Paquistán, Qatar ten sido acusado de financiar e protexer a organizacións consideradas terroristas, en especial o Estado Islámico e Al Qaeda, pero tamén a movementos islamitas como a exipcia Irmandade Musulmá, o libanés Hizbulah e o palestino Hamas. De feito, unha vez se certificara o illamento israelí do territorio palestino de Gaza, a oficina central de Hamas trasladouse a Doha, capital qatarí. Isto propiciou o recente e histórico anuncio de Hamas de recoñecer as fronteiras palestinas de 1967. Polo tanto, e sinalado constantemente como berce do xihadismo salafista, Arabia Saudita, coa anuencia de EUA e de Israel, ben puidera calcular un contexto favorable para redimir a súa culpabilidade enfocando en Qatar o epicentro do terrorismo islamita. A importancia estratéxica que ten Arabia Saudita, así como de Paquistán, para os intereses occidentais, precisaría dunha coartada perfecta para erradicar calquera implicación destes aliados na creación do terrorismo xihadista. E Qatar, outro benefactor destas "ideoloxías radicais", facilitaba esa coartada. Unha visión que confirma a dobre vara de medir que mantén Washington co respecto á estratexia antiterrorista internacional. Os intereses xeopolíticos reforzan estas expectativas sauditas. Nos derradeiros anos, Qatar viña impulsando unha política exterior autónoma que irritaba a Arabia Saudita. O emirato rico en gas natural será a sede do Mundial de fútbol 2022, evento no que agarda impulsar as súas aspiracións globais a través de millonarios investimentos en infraestruturas. Ambicións que, a través do fútbol, tamén están presentes no corazón occidental: a familia real qatarí tamén é propietaria de clubs como o millonario París Saint Germain. Paralelamente, Qatar achegouse a Irán, EUA (base militar do Comando Central no Golfo Pérsico) e Rusia. En 2016, o fondo de riqueza soberana de Qatar acordou investir uns US$ 2.700 millóns en Rosneft Oil Co. PJSC, empresa estatal petroleira rusa. Os intereses da Casa de Saud Así, os resortes da actual crise confirmarían unha serie de pulsos baixo a mesa, onde a diplomacia saudita levaría a batuta. Arabia Saudita exerce unha influencia practicamente incontestable no CCGP, un organismo rexional mais ben orientado a fortalecer os imperativos de seguridade sauditas e estadounidenses contra Irán. Isto lle permite a Riad ampliar o seu radio de actuación cara aliados enerxéticos como Emiratos Árabes Unidos e Kuwait, así como na intervención en zonas potencialmente conflitivas coo Iemen e Bahréin, onde Riad e Teherán manteñen unha forte confrontación. Por tanto, Riad impulsa a través da crise con Qatar un pulso xeopolítico para afastar a Irán dese radio de influencia no Golfo Pérsico. Tomando en conta que Qatar semellaba converterse nun súbito socio iraniano, este contexto espallaba a preocupación xeopolítica rexional, principalmente para EUA e Israel, este último o outro actor colateral con intereses nese crise diplomática. O apoio qatarí a Hizbulá e Hamas supón un incordio para os intereses israelís. Do mesmo xeito, a influencia de Qatar sobre a Irmandade Musulmá irritaba ao réxime militarista de Fatah al Sissi en Exipto. O movemento islamita, reprimido e acosado, é considerado como o principal inimigo político para al Sissi. A implicación libia nesta crise débese principalmente á presión saudita e de Emiratos Árabes, que teñen grandes investimentos enerxéticos e económicos en Libia. Mesma perspectiva para a aceptación de Maldivas e de Iemen de suspender as súas relacións con Qatar. No caso de Maldivas, localizada no Océano Índico, existen grandes investimentos sauditas e dos Emiratos Árabes. Toda vez a guerra civil que existe en Iemen corresponde a un pulso xeopolítico entre Arabia Saudita e Irán. Teherán apoia ás milicias houthíes que loitan contra o goberno central iemenita, aliado saudita. Un caso similar ao de Bahréin, onde a comunidade xiíta séntese perseguida e reprimida pola preponderancia sunnita aliada aos sauditas. Outras variables explican a crise cun transfondo enerxético. En 1995 comezou o fluxo exportador de gas natural qatarí dende o maior depósito do mundo: o xacemento marítimo North Field. Este xacemento subministra practicamente todo o gas natural de Qatar, e é precisamente compartido con Irán, retando así a Arabia Saudita. Baixo esta perspectiva, o que a actual crise revela son os intentos que desde fai mais de dúas décadas ven tentando realizar Arabia Saudita para illar a un competidor como Qatar. Non obstante, o que interpreta esta crise é o grao de influencia e de emerxente peso xeopolítico que ten Irán, con quen Qatar ven entendéndose nos derradeiros tempos. Este factor exerce unha correlación de intereses que achega a Arabia Saudita, EUA e Israel. Esta perspectiva consolídase ante os retos que para o eixe Riad-Washington-Tel Avive contén un eixo euroasiático no que Irán concretaría intereses con outras potencias como Rusia, China e Turquía. Todo isto gravita e repercute nunha crise diplomática na que Qatar é só unha escusa oportuna. E acicala unha incipiente "Doutrina Trump" orientada a recuperar a ideoloxía "neo-conservadora" instalada no Pentágono, e fortalecida pola revitalización da alianza estratéxica con Israel e Arabia Saudita. O obxectivo desta estratexia é a contención, con visos de desestabilización, de Irán e da súa contorna xeopolítica, con particular incidencia no presumible eixo euroasiático. Un feito simbólico que acontece cincuenta anos despois da guerra de 1967 que transfigurou o mapa xeopolítico de Oriente Próximo. A actual crise do Golfo Pérsico tentaría configurar unha nova cartografía xeopolítica rexional.
NOS_53297
Unha Fundación Galiza Sempre (FGS) renovada, visando reforzar o seu papel na "batalla de ideas" a prol da soberanía. Niso é no que aposta o novo padroado da entidade, que realizou este sábado a súa primeira reunión con Guillerme Vázquez como presidente e Ana Luisa Bouza como vicepresidenta. O padroado incorpora persoas do prestixio social e intelectual como o escritor Suso de Toro ou a economista Maria do Carme García Negro, entre outros nomes.
De acordo cun comunicado da propria FGS, Galiza Sempre renova o seu padroado "con significativas incorporacións do ámbito académico e social" e visando o obxectivo de "reforzar o seu labor de análise da realidade política, socioeconómica e cultural do País, que permita aportar propostas que contribúan a resolver os problemas de Galiza. O novo presidente da fundación é quen fora portavoz nacional do BNG no período Maio 2009-Marzo 2013, Guillerme Vázquez. Canda el estará a ex deputada e ex membro da Executiva Nacional da formación frentista Ana Luísa Bouza, dirixente da corrente Abrente. Será diretor xerente da entidade Xavier Campos, mentres que o xa ex presidente da FGS, Suso Veiga, pasa a presidir o consello asesor da fundación. Xavier Campos será o director xerente da Fundación Galiza Sempre O padroado vano constituír un total de 14 membros, entre os cales se acha o escritor e ensaísta Suso de Toro; a economista María do Carme García Negro, especialista no sector pesqueiro; o historiador e promotor da revista Murguía, Uxío Beográn Diéguez; Luísa González, presidenta do Observatorio da Mariña pola Igualdade; Rubén Lois, catedrático de Xeografía da USC; e Mar Pérez Fra, profesora de Economía Aplicada na USC e experta no sector agrario. Neste órgao tamén figuran @s membros da Executiva Nacional do BNG: Bieito Lobeira, secretario de Organización, Goretti Sanmartin, secretaria de Acción Municipal, Ana Miranda, secretaria de Política Internacional, Néstor Rego, secretario de Iniciativas Políticas e Rafa Vilar, secretario de Acción Social. Un traballo autónomo Guillerme Vázquez explicou que o padroado da FGS é "o grupo de persoas que vai dirixir unha entidade que, embora estexa vinculada ao BNG, desenvolve o seu traballo de xeito autónomo e ten como obxectivo fundamental analizar a realidade socieconómica, política e cultural desde unha perspectiva nacionalista, ben como difundir a historia deste País e promover o espazo da lusofonía". Por súa parte, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, parabenizou os membros do novo padroado, dos que puxo en valor seu compromiso co País e a súa disposición a pór os seus coñecimentos "nos diversos ámbitos académicos e políticos ao servizo de Galiza", segundo o comunicado emitido pola organización frentista.
NOS_39327
O 30 de agosto conmemórase o Día Internacional das Vítimas de Desaparicións Forzadas. Máis de 88.000 vítimas do franquismo seguen soterradas en gabias, foxos ou foxas comúns no estado español. Só Camboia supera esta cifra de número de desaparecid@s
Borralleiros. Pequena aldea na parroquia de Vieiro (Viveiro). O vello sinala a contorna que rodea o pequeno val, entre o río Landro e o monte O Penido e máis ao lonxe O Cadramón, e afirma: "Fartáronse de gatillar xente todo por aí. Fartáronse". Despois chama polo can, que o acompañaba no paseo e aproveitara a conversa para ir fedellar a uns prados, e prosegue o seu percorrido. Vieiro. La Rusia Chica. As minas da Silvarosa fixeran na década dos trinta daquela zona un niño de afiliados á CNT e á UGT. E, por riba, con algún que outro mestre do Partido Galeguista a dar aulas na contorna. Mineiros e escolantes (que se dicía daquela). Roxos e separatistas. Chegou o 18 de xullo do 36 e nesta pequena aldea da Mariña coñeceron o que era o horror. Non o poético discurso de Marlon Brando en Apocalypsis Now, non. O horror, o terror de verdade: Tiros na caluga, testículos cortados, dentes arrincados e mulleres violadas. Malleiras, malleiras e malleiras. Rapaces de 15 anos (Pepe de Pardo) que acaban nun campo de concentración en Rianxo por ter carné socialista. Terror protagonizado, tamén, por algúns dos seus propios veciños. Vieiro. Joder, Vieiro, hoxe en día unha parroquia do máis tranquila, apacíbel e fermosa. Un pequeno paraíso a 5 minutos de Viveiro ideal para criar aos fillos. Esta quinta, 30 de agosto, conmemórase o Día Internacional das Vítimas de Desaparicións Forzadas. Na Galiza tamén as houbo. E non poucas. Desde a Federación de Foros pola Memoria lembran que o estado español é o segundo país do mundo, despois de Camboia, con máis mortos nas gabias. Aínda por desenterrar. 88.000, afirman. A democracia española aínda non investigou o terror de estado que desde o 36 (ou 39 segundo o territorio) ao 75 anegou o estado español.O xornal Público inclúe hoxe unha reportaxe sobre esta data e o seu significado. Sinálase que no conxunto do estado español hai 2.246 foxas comúns. Das cales, medio cento estarían na Galiza. Mais quen sabe. Neses mapas non se contemplan as rías, cuxos fondos foron destino (como ben ilustrou Castelao en No fondo do mar) en non poucas ocasións de corpos (de mortos e de aínda vivos) que pasaron polas mans de falanxistas e garda civís.
NOS_40230
A central sindical da comarca da Coruña asegura que os desprazamentos aos centros educativos para facer probas ao personal dificultan a atención nos centros de saúde. Ademais, entenden que son test de "baixa fiabilidade"
"O Sergas sobrecarga máis a Atención Primaria ao obrigala a facer os tests do virus SARSCoV-2 ao profesorado e o resto de persoal dos centros escolares". Deste xeito se manifestaron onte desde a central sindical da CIG, que subliñou que "A Coruña vai ser a única área sanitaria onde a gran maioría destas probas se farán nos propios centros escolares". Isto implica desprazamentos dos equipos sanitarios, deixando supostamente desatendidos os centros de saúde. "A atención primaria está nunha situación insostible, onde a falta de profesionais é superior a anos anteriores e soportando a situación asistencial derivada da pandemia da Covid-19", lamentou a secretaria comarcal da CIG-Saúde, Lucía Peón. Neste sentido, comentou que serán 7.000 as persoas ás que hai que facer os tests e despois citar para darlles o resultado. Ademais "nos colexios que teñan máis de 12 traballadores (case todos) o persoal de enfermaría terá que facer o desprazamento". A respecto das condicións laborais, Peón resaltou que estas medidas tamén implican "un desgaste mental importante" e engadiu que a cidadanía "debe saber que esta actuación é inútil."A ninguén lle gusta facer algo que sabe que é inútil, pero é peor aínda cando, por facelo, sabes que van aumentar as listas de espera para analíticas ou para ver pacientes que realmente o necesitan", reflexionou a representante. Así referiuse á "baixa fiabilidade dos test que a Xunta decidiu facer", pois sempre segundo as súas palabras "non valen para tomar decisións".
NOS_43428
A vontade de En Marea como partido político, na práctica neste momento reducido ao núcleo villarista, é inequívoca: concorrerá como tal, "en solitario", ás eleccións xerais do 28 de abril. Así o afirmou esta cuarta feira a viceportavoz da confluencia, Ana Seijas, quen compareceu ante os meios para apresentar o calendario de primarias do partido instrumental.
Sen se referir explicitamente a elas, Ana Seijas rexeitou esta cuarta feira as propostas de coalición formuladas nas últimas horas no mundo da confluencia, con Xulio Ferreiro a asumir un papel de destaque e Martiño Noriega a apoiar a iniciativa do alcalde coruñés. Como xa informou Sermos esta semana, a dirección do partido liderado por Villares non contempla ningunha caste de coalición: nin a reedición da tripartita de 2016 -a formada por Anova, Esquerda Unida e Podemos— nin a entente ampliada pola que advogou esta semana Xulio Ferreiro, unha plataforma a que se poderían aderir as mareas municipalistas e a propia En Marea. "O Consello da Marea iniciaba [o pasado sábado] o proceso de primarias para concorrer en solitario ás eleccións xerais", dixo Seijas na conferencia de imprensa, en que avanzou tamén os trazos argumentais básicos da campaña da confluencia cara ao 28A: a aposta pola rexeneración democrática, a xustiza social e a defensa dos intereses galegos en Madrid. "En Marea defende a voz das galegas en Madrid. Queremos que esa voz continúe presente alí", afirmou, nun discurso moi próximo ao tradicional do BNG. Primarias abertas Seijas puxo en valor que o proceso de escolla das candidaturas de En Marea será desta volta a través dunhas primarias "abertas" a todas as galegas e galegos que se inscriban no censo até o 28 de febreiro, o mesmo día en que se fechará o prazo de presentación das candidaturas. A número dous da confluencia destacou que esta é a primeira vez que unha forza política galega opta polas primarias abertas para escoller as súas listas, marcando distancias co método —o acordo entre os partidos— adoptado en 2016 á hora de confeccionar as candidaturas. A dirixente defendeu tamén a proposta lanzada por Luís Villares de entente de "todas as forzas progresistas galegas", en alusión ao BNG e PSdeG, para conformar, aquí si, unha coalición electoral ao Senado. Cualificouna de "fronte ampla" e de "lugar de encontro" para impedir que a dereita obteña 12 escanos no Senado en representación de Galiza.
PRAZA_14202
Nas eleccións galegas, xunto ás dereitas conservadoras do PP e UPyD, xunto ao anunciado tandem da dereita liberal (PSOE) e a esquerda centrista do Bloque, concorre a coalición formada por IU, ANOVA e EQUO, presentándose a si mesma como unha especie Syriza galega. Quixera discutir as posibilidades dun dispositivo como este volvendo a vista ao 2011.
Nas eleccións galegas, xunto ás dereitas conservadoras do PP e UPyD, xunto ao anunciado tandem da dereita liberal (PSOE) e a esquerda centrista do Bloque, concorre a coalición formada por IU, ANOVA e EQUO, presentándose a si mesma como unha especie Syriza galega. Quixera discutir as posibilidades dun dispositivo como este volvendo a vista ao 2011. Alí dáse un contraste esclarecedor entre o 15M e as protestas de Geraçao à Rasca que pouco antes sacudiran Portugal. Aínda que semellantes na súa composición social, as súas políticas en rede, mesmo nas súas demandas, existen diferenzas salientables. O 15M converteu unhas eleccións nas que moi pouco había que gañar -dende había tempo as enquisas vaticinaban os resultados obtidos- nun intelixente ataque ao "modelo de balanza de elites", tamén coñecido como "bipartidismo" Primeiro, xeopolíticas. A diferenza da protesta portuguesa, centrada na súa realidade nacional, a reivindicación en Sol da Qasbah e Tahrir, a importación do formato das acampadas, así como a inmediata proliferación do movemento a través da diáspora, favoreceu a extensión transnacional dunha loita que á súa vez contribuíu á xestación doutros procesos como Ocuppy no Sur de Manhattan. Segundo, os partidos. Os portugueses expresáranse á arxentina -"¡qué se vayan todos!"-, provocando o rexeitamento do PCP e deixando nunha difícil situación ao Bloco de Esquerda. O 15M converteu unhas eleccións nas que moi pouco había que gañar -dende había tempo as enquisas vaticinaban os resultados obtidos- nun intelixente ataque ao "modelo de balanza de elites", tamén coñecido como "bipartidismo", iniciador dun innovador proceso político de longa duración. Terceiro, a democracia. O paso de Geraçao à Rasca ao 15M é o paso de poder destituinte ao poder constituínte. Xa non só tratábase de botar aos gobernantes, loitar contra os recortes e salvar ou retornar ao welfare. En lugar de limitarse a contestar á rapiña dos acredores á defensiva e nos seus propios termos, fíxoo no nome da democracia real; ou o que é o mesmo, unha democracia sen contidos, que non pode ser outra cousa que unha democracia, política e económica, por vir. Se quería medrar como alternativa non podía gobernar cos partidos dunha balanza que implicaba un goberno de concertación anti-democrático, submiso á troika Co dito, de volta á Syriza galega, a súa hipótese terá sentido se comprende que: Primeiro, así como Alemaña non é máis que un tigre de papel resistindo á desesperada -saquear aos socios é o último paso antes de afundirse un mesmo-, as maiorías da balanza de elites son pouco menos que un simulacro, cada vez menos efectivo. Como en Grecia ou Islandia, como antes en América Latina, o poder constituínte do movemento rematará por reorganizar as opcións de voto. Syriza entendeu que debía arriscarse e dar resposta a este desprazamento. Máis aló dos oportunismos o corto prazo e a búsqueda da representación parlamentaria a toda costa, se quería medrar como alternativa non podía gobernar cos partidos dunha balanza que implicaba de facto, explicita ou implicitamente, un goberno de concertación anti-democrático, submiso á troika. Como a política de movemento, terá que dar o paso do destituínte -estilo Hai que botalos, no 2005- ao constituínte, transformándose a si mesma ao redefinir os seus discursos e procedementos a imaxe dos desenvolvementos actuais da democracia real Segundo, se, polo tanto, unha Syriza galega ha de ocupar en solitario o lugar electoral que aínda está por aparecer, haberá de enchelo con algo máis que unha alternativa á austeridade. Como a política de movemento, terá que dar o paso do destituínte -estilo Hai que botalos, no 2005- ao constituínte, transformándose a si mesma ao redefinir os seus discursos e procedementos a imaxe dos desenvolvementos actuais da democracia real. Por último, máis alá do logotipo fusilado dos gregos, terá que saber transitar de ida e volta as fronteiras, inseríndose no fluxo da xeopolítica dos movementos; traer os contaxios dende o exterior, innovar e crear un xeito de resistir dende a xurisdición dun marco autonómico -en atención a unha composición política e territorial tan plural e distinta á grega, aínda que só fose polo peso dos nacionalismos de esquerdas- "exportable" a outros territorios. Tres condicións, polo tanto, para constituír algo así como unha Syriza galega. É cando menos dubidoso que agora mesmo estean a cumprirse.
PRAZA_4258
O Goberno galego di que as restricións pola pandemia fan "ineficientes" as subvencións que xa convocara pero aínda non resolvera e que vai "reorientar" os cartos nunha "nova planificación"
O Goberno galego di que as restricións pola pandemia fan "ineficientes" as subvencións que xa convocara pero aínda non resolvera e que vai "reorientar" os cartos nunha "nova planificación"A Axencia de Turismo de Galicia, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, publica este martes no Diario Oficial de Galicia unha resolución coa deixa sen efecto seis convocatorias de axudas para a promoción turística e festivais de música que suman 3,7 millóns de euros. A Xunta argumenta que as restricións establecidas polo coronavirus fan "ineficientes" esas subvencións que xa convocara pero aínda non resolvera e que vai "reorientar" os cartos nunha "nova planificación".En concreto, a Xunta deixa sen efecto as liñas de axudas que convocara para a a mellora de infraestruturas turísticas no medio rural por parte dos concellos (1,2 millóns de euros), a promoción municipal de festas de interese turístico de Galicia (306.000 euros), a contratación de persoal para oficinas de turismo municipais (450.000 euros), a promoción de xeodestinos turísticos (550.000 euros) e bolsas para formación en oficinas de turismo dos lugares de orixe dos turistas (228.000 euros). Tamén cancela o procedemento de adhesión á marca Fest Galicia, ligada ao Xacobeo 2021, para a realización de contratos de patrocinio para festivais de música entre o 1 de xuño e o 30 de setembro (460.000 euros).En 2019 baixo a marca Fest Galicia patrocináronse doce festivais, varios dos cales xa anunciaron a cancelación da súa edición deste anoO pasado ano, segundo informou no seu momento a Xunta, baixo esa marca Fest Galicia patrocináronse doce festivais: PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz, WOS Festival,Cantos na Maré e Caudal Fest. Varios deles, como PortAmérica, Resurrection ou Sinsal anunciaron o pasado venres que cancelan as súas edicións deste ano.A Axencia de Turismo de Galicia argumenta que "a incerteza que xera o COVID-19 fai pensar nunha menor demanda de servizos turísticos, unha limitación ás concentracións de público e nunha forte baixada do turismo, especialmente o internacional". Iso a leva, di, a "reorientar os créditos reservados para estas convocatorias de axudas claramente ineficientes nas circunstancias actuais, para elaborar e sustentar economicamente unha nova planificación que permita, por unha banda, reducir o impacto do COVID-19 nas empresas do sector turístico e, por outra, reactivar o sector, readaptalo e preparalo para a recuperación dos mercados e ás necesidades que demanda tras o estado de alarma".
PRAZA_14044
Arredalia, o boletín da Rede de Antigos Alumnos en Prácticas do IGADI, dedica o seu terceiro número ás revolucións no norte de África e no Oriente Medio, con análises de Susana Maceiras e Roberto Mansilla ou entrevistas aos profesores Ignacio Gutiérrez de Terán e José Abu-Tarbush.
Arredalia, o boletín da Rede de Antigos Alumnos en Prácticas do IGADI, dedica o seu terceiro número ás revolucións no norte de África e no Oriente Medio, con análises de Susana Maceiras e Roberto Mansilla ou entrevistas aos profesores Ignacio Gutiérrez de Terán e José Abu-Tarbush. O profesor José Abu-Tarbush afirma que "as revoltas árabes responden ás súas propias condicións e peculiaridades" e salienta que "o avance máis importante é a ruptura do statu quo no que se asenta a orde autoritaria do Estado árabe postcolonial". Comenta, así mesmo, que "o comportamento israelí non foi moi diferente ao das grandes potencias occidentais, antepoñendo os seus intereses xeoestratéxicos e económicos ao respecto aos dereitos humanos, as liberdades e a democracia. Sentíanse máis cómodas tratando con rexímenes autoritarios, dependentes e subordinados que con sistemas políticos más abertos y democráticos, que teñen que rendir contas ante a súa propia cidadanía". Pola súa banda, Ignacio Gutiérrez de Terán destaca que "hai unha clara tendencia no seo da sociedade árabe cara á democratización e a loita radical contra a corrupción, a desigualdade económica, o desprezo á opinión pública, o despotismo e a violencia burda exercida dende os órganos de poder. Por desgraza, os rexímenes actuais tentan, cada un á súa maneira, con maior ou menor represión, deter esta tendencia". Roberto Mansilla cita a Goytisolo e afirma que "nada será como antes" O analista do IGADI Roberto Mansilla escribe que "pode que a Primavera política e as súas complexidades chegaran por fin ao mundo árabe, ilustrando un mapa de ansiedades democráticas polarizadas pola reacción das elites, o desconcerto e ambigüidades occidentais e o inevitable "peso da realidade". Pero, como ben din Goytisolo, xa nada será como antes". Finalmente, Susana Maceiras céntrase nos casos de Libia e Siria e escribe que "atacar Libia, tendo en conta que ningún otro país sairía no seu apoio, foi sinxelo e supuxo un gasto militar asumible" pero, en contrate "a intervención tácita en Siria podería traer consigo que varios países puxesen as súas cartas sobre a mesa e que o desequilibrio contido da zona se convertese nun conflito multilateral dilatado no tempo". Número 3 de Arredalia
NOS_23730
A Seguridade Social demandou á compañía 1,2 millóns de euros por cotizacións non pagas entre outubro de 2015 e xuño de 2017. A xustiza considera que as 'riders' son asalariadas e non autónomas.
O xuízo que dirimía a relación laboral entre a compañía de reparto de comida a domicilio Deliveroo e máis de 500 'Riders' (repartidores e repartidoras) que empregaban esta plataforma deu a razón a estes e estas traballadoras: as e os 'riders' non asalariados de Deliveroo, non autónomos e neste tempo operaron como 'falsos autónomos'. Unha resolución dun xulgado do Social de Madrid e que a compañía de reparto non comparte e que vai recorrer. Para a xustiza, Deliveroo ten unha relación laboral con estas 532 riders, ás que considera asalariadas polo que a empresa ten que facerse cargo das cotizacións. O xuíz considera que a compañía en todo momento tiña control do traballador ou traballadora. "Os repartidores prestaban os seus servizos dunha forma completamente organizada e rexida pola empresa demandada, incluso nos detalles máis pequenos", recolle a sentenza. Deliveroo, unha das principais empresas deste sector de reparto exprés, foi a primeira en desembarcar na Galiza, en setembro de 2017, e fíxoo a través da Coruña. Pouco despois, febreiro de 2018, facíao Glovo, que elixía Vigo para estrearse na Galiza. Ambas as dúas expandíronse a Compostela nun plan que axiña saltará a outras cidades galegas. Glovo ou Deliveroo son exemplos de economía dixital colaborativa ou, pola contra, son novos modelos de explotación laboral no século XXI con falsos autónomos como man de obra barata? A xustiza sinala cada vez máis esta segunda resposta. Unha nova modalidade de falsas autónomas. Unha figura que Suso García, do sindicato nacionalista CIG, cualificou como "un modelo de escravitude adaptado ao século XXI". Traballadoras por conta allea atadas a unha única empresa, que aforra así salarios e asumir dereitos laborais como as vacacións. Esaxeramos? No Estado hai miles de riders. UXT cífraos en 17.000.
NOS_19864
O colectivo Estreleira congregou en Ourense varios centos de persoas no I Desfile da República Galega, que decorreu na cidade de Ourense. O acto lembrou a proclamación da República Galega de 1931.
O desfile, con catro bandeiras xigantes, partiu na mañá do domingo da ponte romana para recalar máis tarde no xardín de Posío, após atravesar a zona vella da cidade. Gaiteiras e gaiteiros e a treboada portuguesa de Amarante cos bombos animou a ruada, na que estiveron presentes enseñas de organizacións históricas, como a do Partido Galeguista, a das Irmandades da Fala, a Unión do Povo Galego ou do PSG, pasando pola de movementos como o Nunca Máis. Estruturado en tres bloques, o acto foi convocado para homenaxear "a historia, a terra e a loita" e contou con 51 brasóns de todas as bisbarras galegas, deseñados por Elena Penas co asesoramento do investigador Héitor Picallo, autor da publicación de Sermos Galiza S.A. O escudo do Reino da Galiza. O escudo do Reino da Galiza podes telo na túa man O desfile finalizou no xardín onde "Otero Pedraio pronunciou o primeiro discurso en galego da posguerra", lembran desde a organización, "em 1949, neste mesmo lugar, Otero Pedraio tivo a valentia de dar o primeiro discurso público em galego da posguerra no Posio, no centenário de Lamas Carvajal, causando a fúria dos falangistas, e do governador civil presentes no acto". A bandeira sueva. A actriz Isabel Risco, que conduciu o acto, deu paso a Xosé Lois 'O Carrabouxo', colaborador de Nós Diario, que debuxou ao vivo unha obra conmemorativa do desfile. A república galega de 1931 Por último, o grupo de teatro amador do CS Faísca representou a proclamación da República de 1931, pois con este acto, o Projeto Estreleira conmemorou a República Galega de xuño de 1933, así como a vitoria no referendo do Estatuto de 1936. A organización destacou que a deste domingo foi a primeira vez na historia do galeguismo que os emblemas locais protagonizan un acto nacionalista.
NOS_31235
Un xuízo de inequívoco contido político, un proceso inédito nos 40 anos de réxime de 1978, comezou esta terza feira no Tribunal Supremo español contra os dirixentes do bloque independentista catalán. Xa nas cuestións previas, as que se ventilarán hoxe, as defensas piden a nulidade do procedimento por considerar que foron violados os dereitos fundamentais das e dos acusados. A expectación extramuros é máxima. Os CDR, mentres tanto, cortaron estradas e vías de acceso a Barcelona. A ANC convoca concentracións para esta tarde.
As defensas das presas e dos presos indepentistas argumentan que o xuízo non debería ter lugar porque previamente se ten causado indefensión nas persoas acusadas. O que argúen as defensas é que durante a instrución da causa se teñen vulnerado dereitos fundamentais como o da defensa ou o o xuízo xusto. Precisamente a falta de garantías no proceso xudicial foi o que alegaron as e os líderes independentistas —o president Carles Puigdemont de Junts per Catalunya, Anna Gabriel da CUP e Marta Rovira de ERC— que optaron por non comparecer perante a Audiencia Nacional e tomaron o camiño do exilio. As acusadas son os ex membros do Govern Oriol Junqueras, Raül Romeva, Dolors Bassa, Carles Mundó, Josep Rull, Jordi Turull, Joaquim Forn, Meritxell Borràs e Santi Vila, os presidentes de l'ANC e Òmnium Cultural durant el referèndum —Jordi Sànchez (agora president do grupo parlamentar de JxCat) e Jordi Cuixart— e a ex presidenta do Parlament, Carme Forcadell. A excepción de Mundó, Vila e Borrás, as e os acusados cumpren prisión preventiva e afrontan cargos de rebelión, desobediencia e malversación. O primeiro avogado en tomar a palabra foi Andreu Van den Eynde, o letrado de Oriol Junqueras e Raul Romeva, quen comezou por afirmar que "temos dereito a vivir en democracia, pero o dereito penal do inimigo [unha sorte de suspensión de todas as garantías por parte dun estado contra a disidencia] nega o dereito penal democrático". Para o xurista, a interpretación que se fai desde a instrución da causa da Constitución "criminaliza" as opcións políticas contrarias ao statu quo. "Pódese falar da independencia dunha entidade sub-estatal? Claro que se pode falar, e así o afirma o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos", dixo Van den Eynde, para quen en ningún momento se pode considerar delituosa a defensa da autodeterminación, sendo que esta "é sinónimo de paz e non de guerra". Foi conculcado o dereito de protesta e tamén o de participación política das presas —non puideron facer campaña, non puideron participar na constitución do Parlament— argumentou o letrado de Junqueras e Romeva. "A causa non pode impedir que se debata no Parlament sobre a independencia", alegou.
NOS_16795
Ten razón James Cameron cando di que Gravity é o mellor filme sobre o espazo rodado xamais? O noso crítico das sextas feiras, Andrés Castro, acha que si. Queres saber como o argumenta?
GRAVITYAno: 2013Duración: 90 min.País: Estados UnidosDirector: Alfonso CuarónGuión: Alfonso Cuarón, Jonás CuarónMúsica: Steven PriceFotografía: Emmanuel LubezkiReparto: Sandra Bullock, George Clooney SINOPSETres astronautas tratan de reparar un satélite en órbita nunha misión rutineira. Unha choiva de lixo espacial esnaquiza o satélite e a nave deixándoos incomunicados e flotando no espazo completamente sos. A partires de entón van ter que buscar unha solución contra o reloxo para volver á Terra. CRÍTICASegundo verbas de James Cameron, estamos ante a mellor película do espazo que xamais se fixo. Algo así pode crear moi altas expectativas, pero a película non defrauda en absoluto e realmente estamos ante a mellor película do espazo que se fixo até a data. Un inicio espectacular cunha escena do globo terráqueo aos nosos pés mentres uns astronautas dan un paseo espacial nun pausado travelling frontal. Iso xa nos deixa alucinando e case parece incrible que podamos ver algo mellor. Pero lonxe diso agárdanos un crescendo de secuencias polo espazo exterior que nos van deixar coa boca aberta. Desde o principio asistimos a movementos de cámara imposibles que nos transportan a todas as direccións posibles. Desde estar flotando no espazo, a estar na propia pel do astronauta ou mesmo unha estraña sensación de vertixe por momentos. E cando xa parece que non nos pode sorprender máis, métenos dentro dunha nave e, se aínda non o fixéramos, decatámonos que estamos asistindo a algo que se nos antolla moi barato para o prezo dunha entrada. Cánto tempo sen que pase isto. É o máis parecido que vamos a estar, a maioría dos mortais, de ir ao espazo. E por menos de 10 euros! Xenial. Realmente estamos ante a mellor película do espazo que se fixo até a data Sendo un pouco tiquismiquis, a película ten un par de momentos dramáticos prescindibles, algunha licenza gravitatoria discutible e unhas fanfarras orquestrais bastante innecesarias. Pero iso son nimiedades. Despois de asistir a este espectáculo dos sentidos non me sinto digno de poñer pega algunha a un director capaz de facer algo de tal calibre. Apoiando o proxecto os seus colegas Benicio del Toro e Alejandro González Iñárritu, e tamén con agradecementos a James Cameron e David Fincher. Todo un luxo. Para os protagonistas baralláronse inicialmente nomes coma Marion Cotillard, Scarlett Johansson, Angelina Jolie ou Natalie Portman para o papel feminino, e o masculino ía ser interpretado por Robert Downey Jr. Ao final os papeis recaeron en George Clooney e Sandra Bullock. Aínda que ben poderían ser calquera. En "Gravity" as interpretacións son o de menos. A Bullock fixéronlle un gran regalo con este papel. Aquí incluso parece boa actriz. Iso si, ten escenas que se lle nota que trata de lucirse e outros que se asemella á tenente Ripley, e iso non lle fai xustiza ao filme e renxe un pouco. Clooney está na súa liña. Incluso colaborou nos diálogos do guión feito a catro mans polo propio director e o seu fillo Jonás. Na música o británico Steven Price, con ampla experiencia coma editor musical pero con pouca de compositor. Bo score pero sobran as fanfarras para recalcar os momentos de tensión. Na fotografía o compatriota, e habitual de Cuarón, Emmanuel Lubezki que, coma sempre, fai unha composición da imaxe sensacional. Película destinada a acaparar todos os premios técnicos alá onde se presente. Pero "Gravity" non só é detalles técnicos e visuais. Hai unha cabeza pensante detrás do proxecto que tivo que saber levar a maquinaria a bo porto. Un enorme traballo de coordinación milimétrico e extremadamente puntilloso só ao alcance duns poucos. Desde xa considero a Alfonso Cuarón na mesma liga que Kubrick e Nolan. Son os únicos que se me ocorren que poderían facer algo coma "Gravity". Creo que non esaxero coa comparación. A historia funciona por si soa, pero para gozala plenamente hai que vela en 3D. Aínda hai salas que a proxectan. Se eu fora vos non me perdería a ocasión de asistir a unha nova experiencia cinematográfica que vai marcar un antes e un despois nas películas de ciencia-ficción.
QUEPASA_73
Militantes socialistas de Ponteceso critican o incumprimento o procedemento na elaboración da lista.
Volve á carga un grupo de militantes e compañeiros da lista de 2015 do PSOE de Ponteceso. A semana pasada criticaban criticaban o incumprimento o procedemento na elaboración da lista. Hoxe van máis alá focalizando as súas denuncias sobre o actual alcalde, o "compañeiro" Lois Carballido. Este é o escrito que nos envían para denunciar a "hipocrisía" e o afán do protagonismo: Escrito dun grupo de militantes e compañeiros da lista de 2015 do PSOE de Ponteceso O alcalde de Ponteceso amosa a súa verdadeira cara. Leva dous mandatos á fronte do grupo municipal do PSdeG-PSOE, a primeira (2011-2015) como líder da oposición. No ano 2015 quixo presentar unha lista renovada, e algúns compañeiros e compañeiras decidiron dar un paso ao lado para facilitar esa renovación e presentar un equipo para gobernar. O resultado das eleccións permitiu que, despois de 22 anos de goberno do Partido Popular, fose posible a confluencia das forzas da esquerda para formar un novo goberno encabezado polo PSOE.Cunha incuestionable lealdade, os concelleiros e concelleiras, arroupados sempre pola militancia, apoiamos e defendemos ao alcalde de inxerencias do resto do goberno e de denuncias da oposición, e mesmo de dous intentos de moción de censura nos que tiveron que intervir as comisións executivas municipal e provincial. Conseguimos sacar adiante un goberno, proxecto e un concello que se atopaba nunha situación económica desastrosa e que, catro anos despois, goza dunha boa saúde económica que nos permite acometer obras, impulsar o deporte e a cultura, atender as necesidades sociais... E todo iso é froito de moitísimo traballo, de moitos esforzos persoais e colectivos pensando sempre en mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Non podemos aceptar o seu agradecemento, señor alcalde, e non porque sexamos desagradecidos, senón pola súa actitude hipócrita. O seu afán de protagonismo e a súa ambición lévano a intentar manterse na Alcaldía a calquera prezo, saltándose o regulamento do congreso do 10 de novembro do 2018 para a elaboración das candidaturas e traizoando aos compañeiros e compañeiras que o apoiaron, non xa por non incluílos no novo proxecto, senón por nin sequera ter a decencia de comunicarllo previamente e ter que sabelo por terceiras persoas. A única traizón foi a súa por valerse do apoio da estrutura interna do partido para os seus intereses persoais. Que poden esperar os veciños e veciñas de Ponteceso de alguén que actúa así? A canta xente está disposta a traizoar para manterse no poder? Por último, queremos agradecer á veciñanza o apoio recibido nestes catro anos e tamén nos últimos días. Pola parte que nos toca, aínda que non poidamos facelo dende o Concello, seguiremos traballando por un Ponteceso mellor. Firmado: Militantes e compañeiros da lista de 2015 do PSOE de Ponteceso
NOS_11662
Obtiveron máis de 77.000 millóns de beneficios desde 2013. Só entre xaneiro e setembro do presente ano os años achegáronse aos 28.000 millóns de euros.
O selectivo grupo de empresas que fai parte do IBEX 35 leva tres anos aumentando os seus beneficios, un período no que os recortes, a precarización laboral e as tesouradas salariais foron o pan do noso de cada día para milleiros de galegos e españois. Segundo os dados ofrecidos pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), entre xaneiro e setembro do presente ano esas empresas rexistraron uns beneficios de 27.857 millóns de euros. Beneficios que hai que engadir aos obtidos no 2014 e no 2013. En total, 77.000 millóns de euros. Estes 77 mil millóns de euros desde 2013 permiten calcular que nestes apenas tres anos as 35 empresas tiveron unha media de beneficios de 77 millóns de euros diarios. Máis de 3,2 millóns de euros por hora. Unha magnífica recuperación após uns exercicios (2011 e 2012) no que estas firmas tiveron quedas nos ingresos. A mellora do negocio do Estado español e o máis valor permitiron á maioría das compañías cotizadas neste privilexiado grupo incrementar os seus gaños, uns beneficios que foron especialmente notábeis no que atinxe a Sacyr, que aumentou nun 540% nestes 9 primeiros meses de 2015. Até 532 millóns de euros de beneficios. Santander, Telefónica e Iberdrola lideraron a clasificación de ganancias no terceiro trimestre.
NOS_55691
O comité de folga e representantes da concesionaria reuníronse na noite do 14 de xullo. O contacto ficou suspendido, ao igual que o xuízo pola vulneración do dereito a folga.
Na noite do 14 de xullo o comité de folga de Urbaser e representantes da concesionaria retomaron as negociacións para procuraren unha solución dialogada ao conflito. A xuntanza, que se prolongou até ben entrada a madrugada --arredor das 05.00 a.m-- ficou suspendida "mais non rota" explicou en conversa con Sermos Galiza Carmen Antas, portavoz do comité. Na conversa que mantiveron Urbaser rexeitou, máis unha vez, readmitir o persoal despedido e retirar as sancións abertas a máis de 60 operari@s no transcurso da folga, porén "propuxo unha pequena mudanza" neste punto que para o comité de folga "continúa a ser insuficiente". Malia todo, as negociacións continuarán nos vindeiros días se ben non se fixou aínda unha data concreta. De igual maneira, o xuízo pola vulneración do dereito a folga que comezaba esta terza feira foi tamén suspendido e aprazado para o 5 de setembro. Así o acordaron ambas as dúas partes co obxecto de non bloquear as negociacións após seren reiniciadas. Logo de 35 días de folga indefinida o cadro de persoal secunda "ao cento por cento" o paro e mantén firmes as súas demandas. Ao abeiro do acontecido durante este mes de protestas desde o comité de folga afrontan con prudencia a nova mesa de negociación se ben agardan poida resolverse o conflito.
PRAZA_3703
Sentidiño e unidade ten que ser a liña de acción concreta, porque moita xente o esta a pasar mal e o horizonte futuro dos cambios que chegarán son incertos.
Prodúcese un dilema, diante da situación de pandemia, para aqueles que facemos política e que representamos un proxecto de sociedade ideolóxico. Cal é a actuación correcta neste caso? Unha decisión difícil que encontra coa moral e a propia acción política que moitas das veces é oportunista Supoño que cada quen terá unha opinión, válida e matizable, pero coido que soamente un camiño é o de recibo: sumar.Un pequeno inimigo, o COVID-19, nome do que unha xeración non vai esquecer; veu a romper a normalidade da nosa vida e sobre todo da nosa convivencia como pobo e como sociedade. Tan implacable nese senso que rematou por cambiar a actualidade tanto que incluso afecta á celebración das eleccións en Galicia e en Euskadi. Sempre pensei que as eleccións, o propio proceso, iguala as persoas no sentido en que os votos contan todos por igual, imaxinade o alcance das accións cando se anula unha convocatoria electoral, sen precedentes. Neste senso a clase política ten que reformular, ou cando menos eu si, como actuar. Pero tamén é certo que eu solo albisco un camiño válido, o consenso e a disciplina. O Decreto do estado de alarma é unha situación anómala de suspensión de moitos dereitos e mecanismos, esa é a súa razón mais era preciso. Evidentemente opinable, mais non agora, ao seu momento e por iso paréceme moi importante o anuncio de Sánchez dunha comisión para valorar á acción do goberno neste senso, espero non fique en proposta e sexa realidade, será ese o momento de propoñer e de mellorar e sobre todo de aprender para casos futuros.Agora tense que parar a máquina política no relativo a esta situación, entendese. Non son moi efectivos os anuncios das forza políticas, dicindo eu faría tal ou cal. Mais que nada porque son accións estériles e que non favorecen o cumprimento colectivo do que se está a demandar. Tampouco que o goberno use, ou a lo menos unha parte a situación como altofalante de posicións políticas. Si é certo que ten que continuar a misión de fiscalizar aos gobernos, pero fagamos iso cando a situación sexa normal e se poda facer política. Sentidiño e unidade ten que ser a liña de acción concreta, porque moita xente o esta a pasar mal e o horizonte futuro dos cambios que chegarán son incertos.
NOS_506
O presidente de Cuba, Miguel Díaz Canel, substitúe Raúl Castro como primeiro secretario do Partido Comunista da illa, segundo anunciou a formación no cuarto e último día do seu VIII Congreso.
O Comité Central do Partido Comunista de Cuba elixiu Miguel Díaz- Canel Bermúdez como o seu Primeiro Secretario. O anuncio prudciuse na última xornada do Congreso, na que se deu a coñecer o novo Comité Central, o Buró Político e o Secretariado da organización. No seu informe central, o xeneral do Exército, Raúl Castro dixo que Díaz-Canel non é froito da improvisación, senón dunha pensada selección dun mozo revolucionario" con condicións para ser promovido a cargos superiores". Tamén destacou que nos tres últimos anos Díaz-Canel soubo formar equipo e fomentado a cohesión "cos órganos superiores do Partido, o Estado e o Goberno". Desta maneira, Castro culmina o seu labor como Primeiro Secretario do Comité Central do Partido Comunista de Cuba, satisfeito, como expresou, do "deber cumprido e a confianza no futuro da Patria, coa meditada convicción de non aceptar propostas para manterme nos órganos superiores da organización partidista, en cuxas filas continuarei militando como un combatente revolucionario máis, disposto a achegar a miña modesta contribución até o final da vida".
NOS_36670
O Museo de Pontevedra, con motivo do Día das Artes Galegas que se celebra esta sexta feira, desenvolverá durante todo o mes de abril visitas guiadas pola obra do autor e talleres creativos para rapazas e rapaces da man de Migallas Teatro, combinando a obra do artista coa expresión plástica, dramática e a música.
A Xunta da Galiza decidiu iniciar a andaina da grande exposición prevista polo Ano Laxeiro cunha presentación en Madrid. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, foi o encargado de abrir este primeiro acto na segunda feira na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, xunto coa conselleira de Cultura da Comunidade de Madrid, Marta Rivera da Cruz. A exposición 'Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1950-1970)' é o título desta mostra que se exhibirá en París, Madrid, Compostela e Lalín para homenaxear ao pintor. Lalín e Madrid, puntos de partida A exposición, comisariada por Carlos Bernárdez, estrearase no Museo Ramón María Aller de Lalín, onde permanecerá do 6 de abril ao 5 de xuño. A seguinte estancia será na Real Academia de Belas Artes de San Fernando (Madrid) do 22 de xuño ao 24 de xullo. De volta na Galiza, o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acollerá a mostra do 29 de setembro ao 18 de decembro. Terminará o seu periplo, xa no 2023, do 19 de xaneiro ao 26 de febreiro no Instituto Cervantes da capital francesa. A exposición reúne 40 pezas procedentes de coleccionistas privados e de diversas institucións. As obras seleccionadas céntranse nas dúas décadas (1950-1970) con obras como 'Foi un home' (1963) ou 'O espanto' (1962). Ademais, a restrospectiva complétase con pinturas de autores como Maside, Prego de Oliver, Seoane ou Julia Minguillón. Por outra parte, o Museo de Pontevedra, con motivo do Día das Artes Galegas que se celebra esta sexta feira, desenvolverá durante todo o mes de abril visitas guiadas pola obra do autor e talleres creativos para rapazas e rapaces da man de Migallas Teatro, combinando a obra do artista coa expresión plástica, dramática e a música.
NOS_38661
A investigación da UE sobre a prórroga da concesión abre novas variábeis
A decisión da Comisión Europea de investigar a prórroga da concesión da AP-9 a Autoestradas do Atlántico (Audasa) pon negro sobre branco as dúbidas respecto desde proceso. A nova non só cuestiona os procedementos empregados polo Executivo de Aznar senón que pon o foco no modelo de infraestruturas da Galiza, o territorio do Estado con máis quilómetros de estradas de pago e coas peaxes máis altas. Mentres tanto, arranca entre polémica no Congreso dos Deputados a comisión de traballo encargada de concretar a transferencia desta vía a Galiza. A AP-9 é a xoia da coroa das autoestradas estatais. A vía, cuxas obras comezaron na década dos 70 e percorre a fachada atlántica do país entre Ferrol e a fronteira portuguesa até sumar 178 quilómetros, ten como titular a Audasa, propiedade de Itínere, un consorcio formado por fondos de investimentos europeos e norteamericanos. A estrada aparece como unha das vías de xestión privada máis rendíbeis do Estado, até o punto que a concesionaria agarda uns beneficios de 9.561 millóns de euros até 2048, ano de remate da autorización administrativa de explotación da vía. Os galegos levan pagados 3.228 millóns de euros en peaxes por circular pola AP-9. Segundo as contas presentada pola compañía concesionaria, desde 1979, ano de apertura ao público do primeiro tramo, a autoestrada ten achegado aos seus titulares uns beneficios 930,1 millóns de euros, non presentando resultados negativos en ningún exercicio desde 1993. Na mesma liña, a estrada de pago é considerada por Itinere como un dos principais soportes económicos do grupo, cuxa valor contábel cifra en 1.534 millóns de euros. Unha concesión de 75 anos A duración da concesión é tamén un caso único no Estado até sumar 75 anos como estrada de pago, tras diversas renovacións do tempo de aproveitamento aprobadas polos Gobernos españois. Precisamente a última destas prórrogas, acordada por un prazo de 36 anos en 2000 polo Goberno de José María Aznar é obxecto dun expediente de investigación pola Comisión Europea, quen considera que ampliar o tempo de explotación até 2048 contradí a normativa comunitaria, ao vulnerar as regras das licitacións públicas fixadas pola lexislación. Neste sentido, entende que no referido caso incrementar o período de xestión privada require dun concurso público e non dunha prórroga por tratarse dunha nova concesión. As sospeitas sobre a actuación gobernamental na AP-9 veñen de vello. A este respecto, o Tribunal de Contas sinalou en 2004 que que a prórroga supuxo "un cuantioso volume de recursos económicos procedentes tanto dos maiores beneficios fiscais e económicos-financeiros como dos maiores volumes de ingresos por peaxes" . Concretamente os beneficios fiscais consistiron en exencións de impostos sobre as operacións de endebedamento de Audasa de até o 95%, malia que as mesmas deberan rematar o 20 de agosto de 1998, conforme o estabelecido polo anterior ampliación da concesión outorgada polo Executivo de Felipe González. A investigación aberta por Bruxelas introduce novas variábeis neste litixio. A falla de coñecer a resolución definitiva do Congreso dos Deputados sobre a transferencia da estrada a Galiza, o país sitúase á cabeza do Estado en estradas de pago, un modelo de infraestruturas que lastra a articulación territorial, incrementa a inseguridade viaria e impacta de xeito moi negativo na competitividade da economía galega.
PRAZA_19806
Este mércores publícase no DOG a convocatoria, que externaliza este servizo. O gañador do concurso deberá realizar informes ou xestionar unha páxina web
A Xunta pagará case un cuarto de millón de euros a unha empresa externa para que deseñe e xestione durante dous anos o denominado Observatorio da Vivenda de Galicia. O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) publica este mércores no DOG o anuncio da licitación do concurso, que terá un custo para as contas públicas de 200.040 euros máis IVE., algo máis de 242 mil euros en total. O IGVS xustifica a necesidade de poñer en marcha este novo ente en que "detectou a necesidade de aumentar o número de estudos e informes de relevancia para a mellora das políticas públicas en materia de vivenda, así como de mellorar a difusión das actuacións que realiza actualmente neste campo, para aumentar o seu grao de coñecemento na sociedade". A empresa beneficiaria da concesión deberá, segundo se le nas cláusulas técnicas do concurso, "realizar informes sobre as axudas europeas no tema da vivenda", "realizar estudos e análises sobre datos xa existentes nesta materia", "analizar o impacto das diferentes medidas públicas adoptadas en materia de vivenda" ou "publicar boletíns electrónicos mensuais en materia de vivenda para dar a coñecer as informacións e novidades que vaian sucedendo". Ademais, terá que deseñar un portal web e un logo para o Observatorio.
PRAZA_11287
O kirchnerista Alberto Fernández gañou as eleccións celebradas este domingo, superando a Cambiemos por oito puntos (48% a 40%). En Uruguai o esquerdista Frente Amplio obtivo unha vitoria insuficiente na primeira volta e o dereitista Lacalle Pou é favorito para acceder á Presidencia.
O kirchnerista Alberto Fernández gañou as eleccións arxentinas, celebradas este domingo. Cun 48% dos votos, o candidato do Frente de Todos conseguiu ademais evitar a segunda volta (ao superar o 45%), derrotando con claridade á lista de Cambiemos, encabezada por Macri, que obtivo un 40% dos apoios. O kirchnerismo obtén ademais unha axustada maioría no Senado e fica moi preto de facelo no Congreso, polo que se verá obrigado a chegar a acordos con outras forzas e deputados.O kirchnerista Alberto Fernández gañou as eleccións arxentinas, celebradas este domingoMauricio Macri chegou á Presidencia arxentina no outono de 2015, derrotando de forma axustada ao candidato kirchnerista Daniel Scioli. Macri gañou aquelas eleccións prometendo a redución dos niveis de pobreza do país "a cero". Porén, o balance da súa xestión é a dun absoluto fracaso, coa pobreza afectando a máis dun terzo da poboación, o incremento do desemprego, da inflación, a devaluación do peso e coa solicitude dun préstamo ao FMI que se converteu no maior da historia deste organismo.Dende as eleccións primarias de hai uns meses a derrota de Macri na primeira volta dos comicios era algo que se daba por seguro. Con todo, Cambiemos reduciu bastante a diferenza prevista polas enquisas, grazas ao apoio dos estados do centro do país e o da propia cidade de Bos Aires. De feito, a coalición que ata agora lideraba o país fíxose con claridade co goberno da cidade.Núñez Feijóo celebrou en 2017 que a chegada ao poder de Macri abría "unha nova etapa" centrada "na modernización, a economía produtiva e nun marco que favoreza a seguridade e a estabilidade"Macri, que foi alcalde de Bos Aires antes de chegar á Presidencia, mantivo nos últimos anos unha estreita relación co PP, tanto na súa etapa á fronte do Goberno como anteriormente. En 2011 fixo campaña polo PP de Rajoy, ademais de nomear a José María Aznar cidadán ilustre de Bos Aires e de manter unha longa amizade con Alberto Ruíz Gallardón. De feito, moitos dos dirixentes do seu partido e colaboradores próximos formáronse durante anos nas escolas da FAES.Tamén Alberto Núñez Feijóo mantivo frecuentes contactos con Macri nos últimos anos, durante as visitas oficiais realizadas a Arxentina como presidente da Xunta. Feijóo destacou as oportunidades de negocio que a xestión de Macri abría para as empresas galegas, e contrapuxo as súas medidas ás postas en práctica anteriormente polo peronismo kirchnerista. O presidente galego celebrou en 2017 que a chegada ao poder de Macri abría "unha nova etapa" centrada "na modernización, a economía produtiva e nun marco que favoreza a seguridade e a estabilidade".Vitoria insuficiente da esquerda UruguaiMentres dende Arxentina (e Colombia) chegaban boas novas para a esquerda latinoamericana, non sucedía o mesmo en Uruguai. O Frente Amplio, liderado por Daniel Martínez, foi a forza máis votada nas eleccións deste domingo, cun 39,2% dos sufraxios, pero o resultado semella insuficiente para obter a maioría no ballotage (segunda volta), que se celebrará o vindeiro 24 de novembro. O dereitista Lacalle Pou parte cunha gran vantaxe para obter a Presidencia na segunda voltaAlí estará tamén o conservador Luis Lacalle Pou (Partido Nacional), que se fixo co 28,6% dos apoios. Os candidatos do centrodereitista Partido Colorado (12,3%), do ultradereitista Cabildo Abierto (10,9%), do centrista Partido Independiente (1%) e do dereitista Partido de la Gente (1,1%) xa manifestaron o seu apoio a Lacalle Pou, que semella preto do triunfo. Nas vindeiras catro semanas o Frente Amplio, que este domingo perdeu tamén a maioría absoluta nas dúas cámaras, terá que convencer a unha parte significativa dos votantes destas forzas (sobre todo do Partido Colorado e de Cabildo Abierto) de que lle dean o seu apoio a Martínez e non ao candidato blanco. Doutro xeito, podería ser a fin da longa experiencia de goberno progresista en Uruguai, 15 anos nos que se sucederon na Presidencia Tabaré Vázquez e José Mujica e nos que o país se caracterizou pola súa estabilidade e polo avance en liberdades cívicas e dereitos sociais. A única boa nova para a esquerda uruguaia nesta noite foi a derrota do referendo que buscaba a aprobación da reforma constitucional Vivir sin Miedo, centrada na militarización da seguridade cidadá e o endurecemento de penas. A consulta, apoiada unicamente por Cabildo Abierto e por unha parte do Partido Nacional obtivo o 46% dos votos, cando necesitaba superar o 50%.
NOS_42114
Todas as preguntas e respostas sobre o novo protocolo que se aplica na Galiza en relación á Covid-19.
O Ministerio de Sanidade, co apoio unánime dos gobernos territoriais, aprobou antes do remate de 2021 unha mudanza nos protocolos de actuación en relación ás persoas contaxiadas da Covid-19. Así, acordouse reducir o período de corentena para as persoas asintomáticas ou cun cadro "leve" da Covid a sete días, fronte aos dez actuais. Que fago se dou positivo en antíxenos? Na Galiza, unha das novas medidas anunciadas pola Xunta é a aceptación do test de antíxenos para notificar un contaxio. Se das positivo debes comunicalo o antes posíbel á centraliña que atende as incidencias relacionadas coa Covid-19 no país, o número 881 540 045. Debo facer unha PCR? Segundo informou o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, as persoas que dean positivo en antíxenos non serán sometidas a unha PCR por mor da saturación do sistema sociosanitario. No momento en que se comunica o contaxio principia unha corentena de dez días. E a quen se lle fan agora as PCR? A Consellaría de Sanidade desmantelou antes do previsto inicialmente os puntos habilitados para practicar probas PCR sen necesidade de cita previa e de balde, polo que agora as PCR só se realizarán aos contactos estreitos de positivos ou as persoas con síntomas compatíbeis coa Covid-19. Son contacto estreito, que fago? A central de seguimento porase en contacto cos contactos estreitos dun positivo, e citaráselles para facer unha PCR no quinto día após o contacto coa persoa contaxiada. Se o contacto estreito ten a pauta completa da vacina e non padece patoloxías graves, non deberá gardar corentena. En caso contrario, esta será de sete días. Como obteño a baixa laboral? Cando se confirme o positivo cunha PCR. Con todo, o Goberno galego estuda autorizar a expedición de baixas laborais só co test de antíxenos feito na casa para desconxestionar a Atención Primaria, colapsada pola explosión de contaxios e a falta de recursos.
NOS_47408
Na práctica, son tres asociacións dirixidas por cargos do PP as responsábeis legais de identificar que emigrantes poden recibir asistencia da Xunta e de entregarlles esa axuda, medicamentos por exemplo. Así o estabelecen os convenios asinados discrecionalmente por Emigración, convenios aos que tivo acceso Sermos Galiza. Eis un extracto da información publicada no papel.
Tres das asociacións de emigrantes que máis axudas reciben da Xunta están dirixidas por venezuelanos directivos do PP ou candidatos desta formación política. En realidade, estas tres asociacións acaparan a práctica totalidade da asistencia pública galega a Venezuela. Dos últimos 30 convenios da Xunta con entidades venezuelanas, 27 foron asinados con estas asociacións dirixidas por cargos ou candidatos do PP. O responsábel de outorgar este diñeiro –a maioría del discrecionalmente– é Antonio Pérez Miranda, que é secretario xeral de Emigración e asemade coordinador de Acción Exterior na directiva do PPdeG. No organigrama conservador, José Antonio Alejandro González é vogal polos residentes ausentes de Venezuela e tamén foi cabeza de lista do PP nas últimas eleccións ao Consejo de Residentes Españoles. Alejandro compatibiliza a política co cargo de secretario xeral da Hermandad Gallega de Venezuela. A oficina da Xunta en Caracas, onde as galegas e galegos tramitan axudas públicas, está na sede da Hermandad. Emigración concede anualmente á Hermandad non só subvencións (repartidas con publicidade e competencia), senón tamén convenios (axudas directas e discrecionais, a dedo). Sermos accedeu ao texto de varios deses convenios. Por exemplo, en marzo a Hermandad recibiu 20.000 euros nun convenio precisamente para o "mantemento dunha oficina de información e asesoramento en Caracas". Este outubro a Xunta ampliouno até os 35.000 euros. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 280 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_55521
Na cidade de Palma de Mallorca existe unha rúa co nome de Aldea de Cariño, como agradecemento aos auxilios e humanidade amosada polos veciños e mariñeiros desta vila aos náufragos do paquebote Miramar, embarrancado e afundido aos pés do Cabo Ortegal a madrugada do 9 de febreiro do 1918, cando aínda quedaban uns meses para que rematase a primeira Gran Guerra Mundial. No rueiro cariñés, existen outras dúas rúas vencelladas á lembranza deste naufraxio, bautizadas cos nomes de Miramar e Avenida de Palma de Mallorca, que no seu día foran costeadas polo propio Concello de Palma...
Teño a fotografía do Miramar nas miñas mans e lembro que fai case que vinte anos, enviáranma dende o arquivo documental do Museu Marítim de Les Drassanes de Barcelona, empregándoa para ilustrar o meu segundo libro de naufraxios editado por Xerais, en 2004. O Miramar foi construído na Casa Odero Marítima de Xénova, na súa factoría de La Foce, por encargo da navieira Isleña Marítima a comezos do 1903. O buque sería botado ao mar o 17 de decembro do mesmo ano e, bautizado co nome de Miramar, na honra de Ramón Llul, fundador do Mosteiro do mesmo nome. Foi o primeiro barco da compañía e un dos primeiros navíos de luxo incorporados á ruta marítima Palma–Barcelona en 1904 efectuando dous servizos semanais, interrompidos por algunha viaxe esporádica a Árxel. O seu casco estaba pintado de negro, pois fora requisado polo comisario xeral de abastecementos para transportar carbón con destino aos vapores que realizaban o servizo de comunicación con África O vapor tiña 82,24 metros de eslora, 11 metros de manga e 4,49 metros de puntal, cun calado máximo de 5,33 metros e 1.724 toneladas de rexistro bruto, cunha máquina de 299 cabalos de potencia que podía acadar os 13 nós e un fermoso casco pintado de branco que lle confería asemellarse a un luxoso e grande iate. No centro, sobre a cuberta, estaba o salón central de primeira clase, decorado e amoblado co luxo moderno da época. Por unha dobre escaleira podíase descender aos camarotes de primeira clase que podían albergar 65 pasaxeiros, ademais de ser elegantísimos, tiñan un salón ao que non lle faltaba ningunha das comodidades de entón. A cámara de segunda clase estaba a proa, formábaa un vasto salón con cámaras laterais para sesenta persoas. No sollado aparecía situado o espazo para a pasaxe de terceira, en colchonciños sobre armaduras de ferro, con capacidade para 65 pasaxeiros. Entre as primeiras viaxes do Miramar, destaca a realizada con motivo da visita do rei español Alfonso XIII a Palma, coa misión de recibir o Giralda, transportando numerosas autoridades a bordo que acompañaron o iate real até o porto mallorquín. Principiada a I Guerra Mundial, foi destinado, xunto a outros barcos da súa navieira, ao transporte de carbón, abandonando momentaneamente as súas liñas de transporte de pasaxeiros, para o que fóra construído. Embarrancado no lugar máis abrupto da costa galega O Miramar xa pertencía á gran Compañía Transmediterránea, cando abandona ás 17 horas do venres, día 8 de febreiro de 1918 o porto do Musel tras cargar 1.100 toneladas de carbón, poñendo proa a Cádiz, o seu seguinte destino. O seu casco estaba pintado de negro, pois fora requisado polo Comisario Xeral de Abastecementos para transportar carbón con destino aos vapores que realizaban o servizo de comunicación con África, sendo a primeira vez que facía estas funcións como navío de carga. Abandonara o seu fermoso casco, aquel branco característico que outrora lle valera o fermoso alcume de El Blanco Cisne del Mediterráneo. Pasadas oito horas de navegación foi sorprendido por un temporal que o foi aconchando contra a costa. Eran as tres da mañá do 9 de febreiro, sábado de entroido, cando entre grandes ondas e un forte vendaval, e estando ao mando na ponte o seu 1º oficial, o barco toca fondo aos pés do Cabo Ortegal, concretamente aos pés dos cantís do Gargacido. De contado o primeiro oficial organiza o salvamento dando ordes de arriar os botes salvavidas, dos que só dous puideron ser empregados pola tripulación, pois o resto foron feitos anacos polo mar que os esnaquizou contra o propio barco que xa cubría a cuberta polo costado de babor. Un destes botes, tras salvarse en varias ocasións de irse a pique, acadou arribar ao interior da enseada de Cariño, onde afundiu preto de terra. Os seus cinco ocupantes mantíñanse a duras penas a flote, mentres pedían axuda a berros, espertando a veciñanza de Cariño que durmía nese intre, que saíu no seu auxilio, rescatándoos. O segundo dos botes salvavidas onde ían 10 persoas, incluído o seu capitán, Jorge Benasar, foi engulido literalmente polas augas falecendo afogados todos os seus ocupantes. Houbo un segundo grupo de veciños que se dirixiu a pé até o cabo Ortegal, para tentar prestar auxilio aos posíbeis náufragos que aínda quedaran a bordo. O tripulante Jorge Llul fixo unha heroicidade: guindouse ao mar, nadando cun cabo amarrado á súa cintura Un tripulante do Miramar, de nome Jorge Llul, fixo unha heroicidade. Guindouse ao mar, nadando cun cabo amarrado á súa cintura, xogándose a vida até que puxo pé nunha cala cercana, hoxe chamada dos Mallorquíns, baixo a antiga Capela de San Bartolomeu de Cariño, onde fixo firme do cabo que portaba nas pedras e, dende a cuberta do Miramar, montaron un andarivel polo que se salvaron 27 persoas. Mais aínda lles quedaba o peor… gabear polos cantís verticais até chegar a un lugar onde pedir axuda. Náufragos e coplas; funerais e ofrendas O 11 de febreiro a prensa anuncia que dous cadáveres pertencentes á tripulación do Miramar son arroxados á costa. Pertencían a un dos dous botes de náufragos que conseguiron abandonar o barco embarrancado. Foi este mesmo día e co gallo de estarse a celebrar o entroido, cando os cariñeses coas súas comparsas cantaban polas rúas da súa vila a copla que segue: "O domingo de carnaval o Miramar se ha perdido, o foron a embarrancar ó pieral de Gargacido. Os oficiales fóronse, os maquinistas tamén, e deixaron a prepina en casa de quen os ten". O día 12 de febreiro chega ao porto de Ferrol o vapor Vicente Nistral procedente de Xixón cos dous botes salvavidas do Miramar a remolque que atopou á deriva en alta mar. O 15 de febreiro anuncia a prensa galega que o barco parte á metade e causa perda total e o carbón que constituía o seu cargamento espállase pola costa. Ese mesmo día, ofícianse funerais polos falecidos no naufraxio na igrexa parroquial de Cariño. Entre os asistentes está a vila enteira e 26 sobreviventes do naufraxio, os cales, unha vez rematado o acto litúrxico, parten para a cidade da Coruña. Doce corpos pertencentes á tripulación do Miramar que o mar devolveu, serían soterrados no cemiterio de Cariño. Os náufragos sobreviventes en agradecemento ás axudas e atencións prestadas pola veciñanza e mariñeiros de Cariño, especialmente ao inspector de sanidade o señor Taracido, pediron á empresa armadora que doara a campá do seu barco á ermida de San Xiao do Trebo, mais quedou finalmente na igrexa parroquial de San Bartolomeu de Cariño, por desexo do crego da época. Posteriormente, arribarían a Palma de Mallorca os náufragos o 23 de febreiro, onde os veciños da capital mallorquina, conmocionados pola traxedia, os acompañaron até a igrexa do Santo Cristo de la Sangre, onde se ofrendou o cabo que portaba Llul á súa cintura e que permitiu salvar o resto dos náufragos do Miramar. Cando o mar levou os heroes Seis anos pasaran xa do naufraxio do Miramar, cando un fatídico 27 de novembro de 1924 producíase unha terrible traxedia mariñeira para o porto de Cariño, falecendo 14 dos seus mariñeiros: seis pertencentes á embarcación María Andrea; tres á Dos Amigos e cinco á Remedios. As afundidas eran tres das dezaoito que saíran de madrugada á pesca do verdel ao lugar de Cobos, a carón da Punta do Limo. Entre os afogados estaban dous pais cos seus tres e catro fillos, respectivamente. A meirande parte deles colaboraran seis anos antes xogándose as súas vidas por mar e por terra, no salvamento dos náufragos do vapor mallorquín, afundido aos pés do Cabo Ortegal. Un sentido e emotivo artigo, asinado por Francisco M. Pita, natural de Cariño, baixo o título e subtítulo de: Después del naufragio en Cariño. Unha colecta popular faise eco desta nova traxedia marítima, a través dunha mensaxe emitida por telegrama dende Ortigueira o 1 de decembro ás 20.40 horas, a cal publicaría La Voz de Galicia, na súa edición do 3 de decembro de 1924 da que edito un anaco: "… No olvidaré nunca una escena conmovedora cuando el embarrancamiento del vapor balear Miramar, en el cual perdieron la vida una docena de hombres. El pueblo de Cariño estaba consternado con la noticia que le trajeran, cuando no se abriera el día, dos náufragos que llegaron milagrosamente a la Concha. Se iba a procurar salvar a sus compañeros por tierra. Rayaba el alba, yo también, por el monte, me dirigía al Ortegal con aquellos lobos de mar. Ya cerca del sinistro, aparecen unos mallorquines desnudos, destrozados que habían logrado subir, en muchas horas la costa cortada a pico, con titánicos esfuerzos y desgarrando sus carnes. Fue una visión dantesca en aquel paisaje salvaje… Cuando me di cuenta de lo horrible que había sido la tragedia de aquella noche, ya veo vestidos a los náufragos y casi desnudos a varios marineros de Cariño, a una legua de monte separados de sus casas. Fue un rasgo admirable de esos hombres que no se explican, pero que comprenden, por que ella es su vida". Obxectos do pecio, emotivas homenaxes e simboloxía En 1926 recuperouse unha das caldeiras do pecio do Miramar que se montou no vapor Romeu. Pasados setenta anos do naufraxio do Miramar, o 24 de xuño do 1988 acuden á vila de Cariño un grupo de 95 xubilados mallorquíns entre os que se atopan dous descendentes de náufragos do buque balear. Estaban de vacacións por Galiza hospedados nas rías Baixas e decidiron facer unha visita á vila de Cariño, tras escoitar tempo atrás unha conferencia no seu concello sobre a traxedia que supuxo o naufraxio. Despois de celebrarse unha misa na igrexa parroquial de Cariño á memoria dos náufragos falecidos, trasladáronse até o lugar da traxedia, nos cantís de Gargacido. Hai moitas casas de Cariño que teñen obxectos pertencentes a ese barco; entre elas, manubrios das portas dos camarotes Até hai pouco tempo unha escaleira do vapor estivo colocada na igrexa parroquial, onde segue pendurada do seu campanario, a campá do Miramar. Hai moitas casas de Cariño que teñen obxectos pertencentes a ese barco, entre elas, manubrios das portas dos camarotes e pequenos anacos de pranchas de ferro que chegaron até instalarse no casco dalgún pesqueiro cariñés. O día 9 de maio de 1992 mallorquíns naturais de Inca, visitaron Cariño para seguir a manter as lembranzas de amizade coas xentes orteganas en agradecemento ao rescate e atención que estes prestaron aos náufragos do Miramar, onde unha ducia de tripulantes e pasaxeiros falecidos neste naufraxio, foron soterrados no cemiterio desta vila. Foron estas xentes de Mallorca as que agasallaron ao concello de Cariño cunha imaxe da Virxe de Llul para a súa parroquia, nunha misa que tivo lugar precisamente nese templo para lembrar os falecidos no naufraxio. Posteriormente, visitaron o cemiterio da vila onde xacen doce tumbas pertencentes a náufragos do buque insular. A comezos do ano 2001 restaurouse a capela de San Xiao de Trebo, (Cariño) situada nun lugar espectacular dende onde se albisca toda a costa, a cal baixo os seus muros ten un xacemento arqueolóxico prerromano importantísimo. Foi neste templo onde se colocou no seu interior a imaxe da Virxe de LLul que unha delegación de mallorquíns trouxera dende a illa balear como agradecemento ás xentes de Cariño pola axuda prestada no salvamento aos seus náufragos. Ao Miramar sempre se lle coñeceu en Cariño coma o Mallorquín…
NOS_47510
Todos os indicios apontan para Pepe Mel como novo inquilino do banco deportivista.
Garitano non vai dirixir o Dépor a próxima quinta feira contra o Atlético de Madrid. Esa é a decisión do Consello de Administración do clube, que se reuniu esta mañá na Cidade Deportiva de Abegondo. O cesamento non lle foi comunicado aínda ao treinador vasco. O Deportivo quer fechar primeiro o asunto do seu relevo e nestas horas negocia con Pepe Mel como primeira opción. O perfil de Mel é o dun técnico que sabe o que é ascender (fíxoo dúas veces ao fronte do Betis) e que sabe o que é salvar unha equipa da ameaza do descenso (fíxoo na Premier co West Bromwich Albion). Gosta tamén da canteira, como o demostrou na equipa andaluza. Ten boa conexión coas bancadas e, rara avis, combina o seu traballo sobre o céspede coa súa dedicación á escrita literaria, con tres novelas, unha delas destinada ao público infantil, xa dadas ao prelo.
NOS_40946
Pode xirar El País aínda máis á dereita? A xulgar polas impresións recollidas na contorna do que continúa a ser o diario con máis influencia do Estado español, si.
O presidente de Prisa, Juan Luis Cebrián, reuniuse hoxe co staff de El País para comunicar formalmente o nomeamento de Antonio Caño, corresponsal até agora en Washington, como novo director do diario. A mudanza ao frente da dirección será efectiva a comezos do mes de Maio. "Non se entende este movimento. Caño está aínda máis á dereita que Moreno. Que imos facer? Pelexar pola mesma clientela do El Mundo e de ABC?", afirmábase hoxe na redacción do rotativo madrileño. Antonio Caño substitúe no cargo a Javier Moreno, quen liderou a redacción de El País desde 2006. A súa xestión veu marcada por un notábel descenso na difusión media -o diario pasou de vender 435 mil exemplares en 2007 a 292 mil na actualidade- e polo recorte de persoal -co despedimento do 27% das e dos traballadores en novembro de 2012. Torpeza informática do futuro director O nomeamento de Caño estivo a piques de se frustrar por unha torpeza informática do xornalista. Por erro enviou un correo electrónico non a Cebrián, senón a outros correspondentes do medio. Na misiva avanzaba os seus planos como novo responsábel do meio, alén de criticar con dureza o aínda director, Javier Moreno, e aos seus colaboradores máis próximos. Caño defendía no correo unha maior abertura ás novas correntes sociais, o que -de acordo con persoas que o coñecen ben e tamén de acordo co que el ten escrito nas redes sociais- debemos traducir nun maior achegamento a posicións próximas ao PP. Nos últimos meses ten sido moi perceptíbel a aposta de Cebrián en estreitar lazos coa Moncloa, nomeadamente após Pedro Jota Ramírez e Jiménez Losantos -o sector máis ultra da caverna- ter ditado a súa fátua, ter emprendido a súa campaña, contra o presidente do Goberno. Fontes próximas ao PP admiten que a Moncloa, por intercesión de Soraya Sáenz de Santamaría, facilitou o refinanciamento da xigantesca débeda do grupo, situada na orde dos 3.000 millóns de euros. El País retribuíu o aceno con editoriais moi compracentes con Rajoy, singularmente o escrito após a visita do líder conservador a Obama. Fobia a Venezuela En calquera caso, a aterraxe de Caño na dirección interprétase como unha nova xiradela á dereita de El País, dadas as súas boas relacións co PP, a súa fobia a Venezuela -nisto, con todo, vai ser difícil que supere a Moreno- e a súa defensa aberta de pactos entre o PP e o PSOE. De facto, Libertad Digital -o libelo electrónico de Jiménez Losantos- non dubidou en interpretar o nomeamento de Caño como a toma de control de El País por parte da Moncloa, ligando este movimento ao derrubamento de Pedro Jota Ramírez en El Mundo. Nos últimos meses ten sido moi perceptíbel a aposta de Cebrián en estreitar lazos coa Moncloa Cebrián, mentres, esforzouse no encontro co seu staff por desvincular ambos episodios. Non quere que se pense que a Moncloa incorporou El País ao seu aparato de propaganda (nen que se considere que Rajoy conseguiu neutralizar a un medio que no pasado sempre se situou na órbita do PSOE). É dubidoso que o presidente de PRISA convencese á Redacción. O Comité de Redacción de El País publicou hoxe un comunicado en que salienta que, como prescreben os estatutos do diario, o nomeamento de Caño será submetido a unha votación entre as e os redactores. O seu resultado non é vinculante. Aliás, de ser recusado o candidato por máis de dous terzos dos votos, o Comité gañaría o dereito a ser escoitado polo Consello de Administración da empresa para explicar as razóns do seu rexeitamento.
NOS_54530
Ana Pontón culpa o Goberno galego pola súa "nefasta xestión" que deixa o país "á cola do Estado español" neste eido.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou esta segunda feira contra a Xunta da Galiza pola súa política en materia de dependencia, área na que o pasado ano "deixou sen executar" 76 millóns de euros, nun territorio que está "á cola" do Estado español en atención ás persoas dependentes, como revela un recente informe. Así o subliñou a líder nacionalista nunha rolda de prensa decorrida no Parlamento da Galiza, logo de manter un encontro con distintas organizacións e entidades que traballan no eido da discapacidade e a dependencia. Pontón lembrou que a Galiza é, con 300.000 persoas, o territorio que porcentualmente ten maior número de dependentes ou persoas con discapacidade, polo que precisa dunha rede pública "que funcione de forma axeitada", algo que, para a responsábel do Bloque, non ocorre na actualidade pola "nefasta xestión" da Xunta. O 'labirinto burocrático' da Xunta demora até dous anos o certificado de discapacidade Neste senso, citou as conclusións do informe da Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais publicado hai menos dunha semana e que sitúa a Galiza entre as comunidades que diminuíron o seu investimento en dependencia no ano 2021, a que menos destina a esta área en termos globais e a segunda en gasto por por persoa. A líder da oposición no Parlamento censurou a resposta a este informe do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se referiu ás transferencias económicas que a Galiza demanda ao Estado para a atención á depedencia. "O que fai é repetir o argumentario do PP. A culpa é única e exclusivamente da Xunta", aseverou Pontón. A Xunta escusa os seus recortes en gasto social: "un maior gasto non significa ter servizos máis eficientes" Nesta liña, considerou que non se trata de "un problema de cifras" senón "de xestión" porque a Administración galega, dixo, "non é capaz nin de executar os recursos que ten". Así, Pontón recoñeceu que existe un problema de financiamento á dependencia "que había tamén cando gobernaba o PP [no Estado]". "O BNG vai reclamar que se arranxe, goberne o PP ou o PSOE", apostilou. A portavoz do Bloque salientou a "nefasta xestión" da Xunta, que se exemplifica "nos 76 millóns de euros que quedaron sen executar o pasado ano" e cuxa posta en funcionamento, segundo Pontón, permitiría "incorporar as case 13.000 persoas" que agardan por unha valoración ou están á espera de entrar no sistema de dependencia. Por tanto, ve primordial que a Xunta asuma unha serie de compromisos para reverter esta situación, algo que, en primeiro lugar, require que "se execute 100% do orzado" e aumenten os efectivos dos equipos de valoración para reducir o volume das listas de espera. Ademais, o Bloque tamén demanda a ampliación da rede pública de atención a este colectivo e que se recupere o plan de accesibilidade para a instalación de ascensores nas vivendas, xa que "hai miles de persoas que están atrapadas nas súas vivendas". 43% da redución das listas de espera de dependencia débese á morte da persoa Por último, Pontón subliñou que é "fundamental" que se avance na "promoción da autonomía das persoas", para o que cre preciso que se incrementen os recursos "para poder recibir atención a domicilio", así como unha aposta en melloras na rede pública de centros de día.
PRAZA_1231
Hoxe, cando cada mañá prendo a Radio Galega, penso que a situación vai á inversa. O que era un medio para normalizar a nosa lingua converteuse no templo da diglosia. Poñen o nome de Galicia no título de cada programa mais non lle aplican o conto.
Cada mañá a iso das once, Ra baixaba as esqueiras da casa e alancaba cara a estafeta de correos. Co seu andar característico, rexo e decidido, tal como era o seu andar pola vida, dunha radical firmeza. E tal era a ilusión con que bulía á oficina de correos, auténtica prolongación da súa máquina de escribir. Levaba sempre un feixe de cartas, en sobres pechados, cubertos os nomes. Alí ían as cartas do día, as que escribía por iniciativa propia e as que retrucaba contestando puntualmente as recibidas na xornada anterior. Ese fato de nomes que levaba debaixo do brazo era a súa conexión co universo Ese fato de nomes que levaba debaixo do brazo era a súa conexión co universo, a súa rede internacional de difusión da semente intelectual polo mundo enteiro. As súas cartas actuaban coma pombas mensaxeiras que non sabían de fronteiras. Aldara, Helena, Antón, Xoán, Carlos, Paulo, Icía, Xoana, Luísa, Alberte, … Non había correo electrónico nin internet, estamos a falar dos comezos dos anos oitenta. Había dúas canles de televisión: a primeira e a segunda. Cando comezou a emitir a Televisión Galega desprazou ás outras, e na casa de Ra converteuse na canle de referencia, emitía os fogos, as uvas de fin de ano desde a Berenguela, o telexornal, as novas do parlamento de Fonseca, a visita do Papa, o retorno dos restos de Castelao, calquera acontecemento senlleiro que acontecese no país galego. Curiosidades da vida labrega e mariñeira. Fíxate tu que cousa! –adoitaba marabillarse. Cando comezou a emitir a Televisión Galega, na casa de Ra converteuse na canle de referencia. Para un home que vivía enteiro en galego, era coma un milagre poder ter tamén a televisión en galego, despois de tanta escuridade para o idioma propio Para un home que vivía enteiro en galego, era coma un milagre poder ter tamén a televisión en galego, despois de tanta escuridade para o idioma propio. Ademais Ra (como lle chamaba a súa compañeira) apoiara activamente a creación deste ente de comunicación que tiña coma base a función normalizadora da lingua. Polo que a celebración era dobre, coma cidadán e como promotor desa potente iniciativa. En cuestión de meses normalizouse o uso de palabras esvaecidas ou deturpadas no ámbito coloquial: desenvolver, reis, afastar … e galeguizábanse os nomes dos lugares e das xentes. Mesmo se galeguizaron as propias xentes. … Uxía, Xoel, Aleixo, Carolina, Sabela, Valente, Xabier, Xián, Ánxela, Grial, … Hoxe, cando cada mañá prendo a Radio Galega, penso que a situación vai á inversa. O que era un medio para normalizar a nosa lingua converteuse no templo da diglosia. Poñen o nome de Galicia no título de cada programa mais non lle aplican o conto. Conectan cun correspondente que ao parecer non se chama Alberte Rivero, falan de deportistas que non se chaman Xoán Domínguez nin Alexandre Bergantiños, dá o tempo un señor que non se chama Xoán Taboada. Tampouco usan os nomes galegos dos ouvintes. Nin o teatro Xofre de Ferrol recuperou a súa sonoridade. Fan entrevistas nas que o presentador fala en galego e o entrevistado en castelán coma se fosen dúas partes do mesmo sistema lingüístico, variantes dialectais. O que era un medio para normalizar a nosa lingua converteuse no templo da diglosia. Poñen o nome de Galicia no título de cada programa mais non lle aplican o conto E mellor non falar da programación televisiva ou radiofónica do serán, sementada de opinantes que maiormente barruntan nun castrapo mal falado. É incríbel tanta decadencia desde aquel intenso pulo inicial que se deu hai 30 anos. … Martiño, Aldán, Mariña, Carme, Roi, Alba, Natalia, Navia, Rosalía, Alexandre. No ano 1985, cando comezou emitir a tele galega eu era un rapaz de instituto. Unha tarde subín as esqueiras da casa de Ra para documentarme sobre a guerra civil. Contoume escenas impresionantes. Aínda así, se cadra fixei máis a atención no momento do golpe de estado, previo á guerra. Ra vivía entón na cidade amurallada e ao saber do alzamento dirixírase ao edificio do goberno civil con vontade de informarse ben e organizarse xunto aos demais partidarios da democracia. Mais cando estaba no despacho do máximo mandatario civil irromperon gardas sublevados e levaron preso ao gobernador. Ra tivo o sangue frío de erguerse da mesa mentres entraban no despacho, facerse transparente e saír pola porta de atrás. A través dun corredor chegou ata o arquivo e retirou as listaxes de militantes de partidos e sindicatos que podían ser utilizadas para perseguir aos seus compañeiros. Do que ninguén se decatou é que debaixo do brazo levaba un bo fato de nomes. Nomes coma o seu propio: Ramón, que con orgullo van gravar un destes días os composteláns na fachada da casa na que morou Envoltos nuns grandes sobres, meteu cantos papeis puido debaixo do brazo e baixou as escadas do edificio co seu andar característico, rexo e decidido. Na porta cruzouse cun home que o recoñeceu pero se contentou con lanzarlle unha reprimenda co seu ollar e adicarlle un valioso silencio. Saíu de alí ás alancadas, esaxerando o seu costume. Do que ninguén se decatou é que debaixo do brazo levaba un bo fato de nomes. Nomes para a vida e para a historia. Nomes para reconstruír sobre as ruínas unha cultura propia e dotarnos coma pobo de actualidade e logo de futuro. Nomes coma o seu propio: Ramón, que con orgullo van gravar un destes días os composteláns na fachada da casa na que morou.
NOS_51909
Luned Rhys Parri é unha artista galesa que viviu seis semanas en Galiza como parte do proxecto Tosta 2016 de intercambio entre axentes culturais de comunidades lingüísticas minorizadas que coordina Donostia Capital Cultural e coordinou desde Galiza a Deputación da Coruña e a Mesa pola Normalización Lingüística.
- Como definirías a túa arte? Fálanos das túas pequenas esculturas.- Eu pretendo ilustrar e describir a realidade de todos os días con perspicacia e con humor. Os materiais que uso son calquera cousa que estea facilmente dispoñíbel, combinándoo con cabos, arxila, la, tecido e pintura. A miña obra xeralmente describe a vida en Gales. Máis recentemente tentei ilustrar un pouco o que vivín na Patagonia [onde hai unha comunidade galesa establecida alí desde o s. XIX] e, por suposto, en Galiza. - Estiveches vivindo en Galiza durante 6 semanas grazas ao programa Tosta. Aquí coñeceches artistas galegos e puideches probar un chisco de cultura galega. Que che pareceu?- Foi fascinante para min coñecer tres espectaculares artistas e ilustradores en Galiza, un pequeno país dun tamaño similar ao de Gales, cuxo traballo é impresionante e que teñen moito éxito a pesar da súa determinación de resistir a tentación das grandes cidades españolas e de continuar a vivir no seu país. Tamén me gustou decatarme de que nos seus traballos, como en moitos dos meus, combinan imaxes con textos impresos na súa lingua. - Que che sorprendeu máis de Galiza?- Sorprendeume moito ver que Galiza é moi diferente do preconcepto xeral que eu tiña de España. A xente que coñecín non dubidaba de que eran máis galegos que españois. E a gastronomía é probablemente igual de característica que a cultura e a lingua. Tamén me sorprenderon os fortes chuvascos e o tempo impredicible, así como a fidelidade da xente maior na Coruña á Igrexa Católica. Tamén me espantou saber dos intentos de Franco por eliminar a lingua galega. Foi agradable, sen embargo, ver centos de obras de arte expostas nas oficinas da Deputación na Coruña. A situación é moi diferente en Gales, onde o sector público parece ter pouco respecto pola arte. Ademais, coñecín mulleres políticas moi traballadoras, como Goretti Sanmartín na Deptuación, e fíxome feliz que houbese moitas mulleres en posicións de poder e influencia na Coruña. Outra cousa que me sorprendeu foi que o ilustrador galego Xosé Cobas estea empregado full-time como ilustrador para a Deputación. Xa nos gustaría ter algo así en Gales. As súas ilustracións son unha marabilla. Antes era normal que os artistas galeses se mudaran a cidades grandes en Inglaterra para estudar e dedicarse á súa carreira. Inevitablemente, a consecuencia disto, a súa obra reflectiu unha perspectiva máis anglicanizada. - Coñeciches a Kiko Dasilva, Leandro Lamas e Xosé Cobas. Que significou para ti en termos de intercambio e aprendizaxe?- Son tres artistas moi diferentes, con estilos e técnicas contrapostas. Como xa dixen, Xosé traballa na Deputación, producindo obras a pequena escala en óleo e usando un Mac, mentres Kiko traballa nunha magnífica escola de arte en Pontevedra combinando o ensino coa publicación de libros. As circunstancias de Leandro son similares ás miñas, el ten un pequeno estudo en Neda e traballa de forma ocasional con compañías de teatro para crianzas. Pareceume moi útil comparar cuestións con eles e beneficiarme do seu entusiasmo e compromiso. - Ser parte dun país sen estado e falante dunha lingua minoritaria fixo a túa arte diferente?- No pasado máis recente era normal que os artistas galeses se mudaran a cidades grandes en Inglaterra (ou mesmo Francia) para estudar e dedicarse á súa carreira. Inevitablemente, a consecuencia disto, a súa obra reflectiu unha perspectiva máis anglicanizada. Hoxe, sen embargo, hai máis galerías de arte galesas que apoian aos artistas de aquí, permitíndonos permanecer nas nosas comunidades e reflectir a vida que acontece aquí. Coma algúns de nós en Gales, moitos galegos están claramente orgullosos do seu legado cultural e buscan protexelo da dominación por parte da influencia cultural española. Quizais é por iso que hai textos nas nosas propias linguas que destacan de forma prominente nas obras tanto en Galiza coma en Gales. - Creaches algunha obra en Galiza?- Non tiven tanto tempo durante a miña estancia aquí para producir como me tería gustado, porque tiña que traballar nun horario moi axustado. Pero obviamente non puiden ignorar Santiago de Compsostela e os seus espectaculares edificios e historia, aínda que tamén tentei reflectir algo da vida diaria en Galiza, incluíndo a súa cultura de cafés e as súas empanadas. Aprendín un pouco sobre María Pita e Rosalía de Castro, e arranxeime para facer un collage con elas. Seguindo a fantástica viaxe á fábrica de cerámica de Sargadelos no norte de Galiza, intentei incorporar as miñas propias versións en papel da louza, co seu particular patrón azul e branco. Tamén me decatei do importante que é o semanario Sermos Galiza para os meus novos colegas en Galiza, así que intentei incluír versións miniatura do Sermos nas miñas pezas. - Como parte do programa Tosta, haberá un festival pop-up que amosará as obras creadas por todos os artistas participantes. Estarás de novo en Galiza en setembro, en Rianxo. Que farás alí?- As obras expoñeranse na mostra Tosta en Rianxo. Espero que sexa unha oportunidade para min de coñecer outros artistas e tamén organizadores que participaron no programa. - Tamén estarás en Carballo nunha residencia artística con outros artistas. E pintarás un mural, non?Si, estarei alí en setembro para traballar nun mural nunha escola de arte, e estou moi ilusionada co proxecto.
NOS_40623
A deputada Noa Presas defende "outra forma de facer política", integrando a "perspectiva de xénero" e apostando en pór "lentes lilas", porque "os concellos feministas non benefician só as mulleres, senón o conxunto da sociedade".
Un feminismo "de quilómetro cero, próximo, participativo e pegado á realidade para transformala e para que as políticas públicas sexan garantes de avance en igualdade". Esa é a aposta do BNG de cara a este 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras. A coordinadora de Acción Feminista do Bloque, Noa Presas, presentou esta segunda feira en Moaña as propostas da organización en materia de igualdade, nun acto no que tamén participaron a alcaldesa deste municipio, Leticia Santos, e a coordinadora da Executiva Nacional do BNG, Goretti Sanmartín. Estas son as mobilizacións convocadas para o vindeiro 8 de marzo Presas defendeu "outra forma de facer política", integrando a "perspectiva de xénero" e apostando en pór "lentes lilas" porque "os concellos feministas non benefician só as mulleres, senón o conxunto da sociedade". Neste senso, criticou os "modelos urbanos masculinos impostos por gobernos que deixaron á marxe ás mulleres" e tomou como referencia o traballo da arquitecta brasileira Carina Guedes para "trasladar a cidades, vilas e aldeas un feminismo de quilómetro cero, próximo, que defende a sustentabilidade da vida e os espazos para camiñar con seguridade e comodidade". O feminismo "de proximidade", dixo, susténtase sobre catro eixos: incrementar a participación política das mulleres, potenciar que as mulleres participen de maneira activa nas decisións e na vida pública da cidade, traballar na visibilización das mulleres e formular o espazo urbano desde o feminismo. Olalla Rodil, sobre a campaña do BNG para o 8-M: "Esta campaña está dirixida a falar sobre os dereitos das mulleres" "O deseño de espazos seguros, pensados para a vida, para a mellor calidade das persoas que a habitan, espazos para camiñar, para gozar de espazos verdes e saudábeis e que respondan ás necesidades dos coidados, das crianzas e das persoas maiores, que habitualmente recaeron nas mulleres e que un urbanismo deseñado por homes que viaxan en coche esqueceu", explicou Presas. Pola súa parte, Goretti Sanmartín puxo en valor o traballo desenvolvido polas mulleres do Bloque de distintas xeracións, ao tempo que avogou por "abrir as portas dos concellos ao feminismo para desenvolver "políticas verdadeiramente transformadoras". Aliás, Leticia Santos apuntou que as políticas municipais feministas deben ser "transversais", porque "para que sexan efectivas, esta visión debe impregnar todas as áreas de goberno".
NOS_7919
Os oito gañadores deste ano son: Fina Casalderrey, Miguelanxo Prado, María Bouzas, Ignacio Vilar, o Real Coro Toxos e Froles, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e a investigadora Kathleen Nora March.
O xurado recoñeceu figuras e entidades de consolidada traxectoria no mundo da cultura: a escritora Fina Casalderrey no apartado de Letras, o debuxante Miguelanxo Prado en Artes Plásticas, a actriz María Bouzas en Artes Escénicas, o cineasta Ignacio Vilar en Audiovisual, o Real Coro Toxos e Froles de Ferrol (Música), a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (Lingua), a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Patrimonio Cultural), e a galicianista americana Kathleen March (Promoción Exterior). Estes son os premios que substituíron aos Premios Nacionais da Cultura que instituiu o Goberno bipartito, dos que só chegou a celebrarse unha edición. Estes galardóns recoñecían dez modalidades, cuxos únicos gañadores foron Manuel Gallego Jorreto (Arquitectura e espazos públicos), Francisco Leiro (Artes visuais), Margarita Ledo (Cine e audiovisual), Museo do Pobo Galego (Cultura tradicional e de base), Xosé Luís Méndez Ferrín (Literatura), Francisco Díaz-Fierros (Pensamento e Cultura científica, a remodelación urbana de Pontevedra (Patrimonio cultural), Mercedes Peón (Música), o Laboratorio de Formas (Iniciativa cultural) e Manuel Lourenzo (Artes escénicas).
NOS_33769
Docente con máis de 40 anos de exercicio profisional ás súas costas, autor de varios libros de texto, Ramón Varela Puñal (Carballo, 1942), acaba de tirar do prelo O cristianismo contra a ciência. Un contundente alegato contra o irracionalismo e a favor da liberdade de pensamento, a prol en definitiva da emancipación humana face toda dominación inquisitorial. Falar con el e familiarizarse con Platón, Aristóteles, Spinoza, Einstein ou Nietzsche é a mesma cousa.
Non sempre ten un a oportunidade de entrevistar a un seu profesor. Fun alumno de Ramón Varela Puñal a principios da década dos 80 no instituto de Melide. Comprobo nesta conversa que mantén a mesma paixón intelectual, o seu inequívoco compromiso coa razón, coa que me impresionara daquela. Pensar por un propio, submetelo todo á crítica, non dar nunca nada por suposto, non repetir catecismos. Ese foi sempre o miolo do ensino de Ramón, quen agora, xa xubilado, imparte maxisterio desde as páxinas de O cristianismo contra a ciência. -Por que este libro? Que te moveu a o escreber? -Pois creo que este libro é moi conveniente e necesario para que a xente vaia coñecendo cal é a actitude histórica da Igrexa en relación á ciencia. Tiven a idea cando escoitei o Papa Francisco dicer que a teoría do Big Bang [O Grande Estourido] é compatíbel coa Relixión, coa Fe. Apartir daí eu tracei o proxecto de escreber un libro para tratar precisamente estas cousas, se é compatíbel, se ten sentido -se ten algún- esa compatibilidade, etc. -Este libro é o primeiro dunha tetraloxía. Podes avanzarnos algo sobre os próximos volumes? -Si, este primeiro titúlase O cristianismo contra a ciência. O segundo vaise titular O cristianismo contra a razão e, portanto, vou tratar a irracionalidade que defendeu ao longo da historia o cristianismo, e que defende na actualidade. O terceiro vai ser O cristianismo contra a liberdade psicológica e, portanto, aí imos tratar o tema relacionado coa liberdade de decidir e todo iso, e despois finalmente o cuarto volume vai ter como obxecto a liberdade sociolóxica e, portanto, falaremos aí dos direitos humanos, da escravitude, etc. -Optas pola auto-edición. Significa isto que ningunha editora galega se interesou por un libro deste estilo? -Vamos ver. Eu entrei só en contacto cunha editora galega. E dixo que lle parecía un libro para elites e que non era do estilo do que eles publican e, en realidade, se alguén ve os libros desa editora é claro que non ten nada que ver con este meu traballo. Entón decidín publicalo eu. Hai que ter en conta que as editoras teñen unha crise enorme. Acostuman publicar moi pouco. E en segundo lugar este libro, como está en galego reintegrado, pois xa non lle interesa a moitas editoras. E despois tamén está o tema de que tampouco é un libro para calquera, é ben ter algúns coñecimentos previos para o poder ler con proveito. Aínda que tampouco é preciso ser un especialista. De feito eu coñezo algúns leitores que me están a dicer que o entenden moi ben, mesmo persoas que nunca leron en galego. -A verdade é que está redixido con moita sinxeleza. -Eu entendo que un escritor debe ser o máis claro posíbel. -Ten un aparato erudito, mais está escrito con moita clareza. -Si, polo menos esa é a miña intención. -Olla, por que esa saña da Igrexa contra a ciencia? -Bon, é que a ciencia veu pór en cuestión os fundamentos en que se asentaba a relixión, o cristianismo. E eses fundamentos son un mito. Evidentemente chega un momento en que o mito non responde a día de hoxe. Hai que ter en conta que o saber mítico, e os libros sagrados están cheos de mitos, data de tres mil anos, por aí, pouco máis ou menos, depende moito dos textos. Pero digamos que se remontan a tres mil anos os textos máis antigos. Entón pretender que un escritor desa altura sexa capaz de coñecer, de dar resposta e acertar o que é mundo... iso non ten sentido. E despois pretender que iso é revelado por Deus tampouco ten ningún sentido. Porque se algo demostra este libro, e se algo demostrarán os seguintes, é que o tema da inspiración dos libros sagrados foi claramente falsado pola historia. E, portanto, digamos que a ciencia vai en contra do imaxinario cristián -no libro creo que está exposto claramente- que é o imaxinario do sentido común. Mais o mundo de hoxe non é o mundo do sentido común. A física aristotélica é a física do sentido común, pero está totalmente ultrapasada polos feitos. -Si, porque o sentido común di que o sol xira arredor da terra. -Claro e di que o sol é moitísimo máis pequeno que a terra. É un astro que está aí. Iso é como o que di a Biblia cando sitúa o ceo a 16 quilómetros da terra. A representación astronómica sería esa. E despois as estrelas -hai unha bóveda cristalina- foron cravadas por Deus nesa bóveda cristalina. -Para dar luz? -Si, para dar luz e para facerlle a vida grata ao home. Non teñen existencia de por si as estrelas. Están de adornos. Como temos na casa lámpadas e tal, pois Deus púxonos aí unhas luminarias. É o que di o libro do Xénese. -De todas maneiras, a Igrexa tamén foi historicamente unha clase social -é dicer, o clero- e tamén un Estado transnacional -o Vaticano, case o podemos considerar un residuo do Imperio romano. E defendía e defende uns intereses materiais concretos, á hora de se opor á ciencia, non? -Evidentemente. O cristianismo, igual que toda relixión, sostense, ten uns adherentes, e tivo sempre a aspiración de se converter digamos nunha teocracia de carácter occidental primeiro e mundial despois. Tiñan aspiración de poder. Historicamente nunca lograron esa aspiración mundial. En Occidente case o conseguiron. O Papa podía depoñer, excomungar un emperador, un rei, etc, e ese tiña o futuro moi malo. Portanto, estiveron a ponto de o lograr, pero non o conseguiron. Actualmente a Igrexa estase batendo en retirada. Despois, a Igrexa ten naturalmente o Estado de Vaticano. Por tanto, o Papa é un chefe de estado. Os estados pontificios criáronse no século VIII sobre a base dun documento falsificado, unha pretendida doazón de Constantino [o emperador romano que fai do cristianismo a relixión oficial] no século IV. Unha doazón de Italia, da cidade de Roma e todo iso. -O xerme do Estado vaticano. -Exactamente. -Vou facer agora de avogado do diaño. Por unha banda, non é posíbel demostrar cientificamente a existencia de Deus, mais, senso contrario, a ciencia tampouco pode demostrar que Deus non exista, non? O cristianismo tivo sempre a aspiración de se converter digamos nunha teocracia de carácter occidental primeiro e mundial despois -Vamos ver. Eu digo que máis que falar de se Deus existe ou non, depende de que entendamos por Deus. Algunhas nocións de Deus eu creo que están invalidadas claramente, falsadas claramente. Ese Deus omnipotente, omnisciente, bondadoso, que dirixe o mundo, iso é que non se sostén, vai contra a razón, e vai contra a razón porque a razón dinos que iso non é así, un está moi ben hoxe e mañá vén un cancro e acabouse, quero dicer, un Deus que é sumamente sabio e benefactor... habería que perguntar entón por que existe o mal no mundo. A relixión non é capaz de explicar o mal. O cristianismo non é capaz. -E o argumento do libre albedrío? -O do libre albedrío non ten sentido ningún. Eu son pai, eu teño fillos, e teño netos e se sei que se van meter nun mundo que non é correcto, pois eu evidentemente tomo medidas, direillo aos pais, e se teño poder pois non lles permitirei aos meus netos que fagan cousas indebidas. A ver, aquí inventaron a idea do pecado orixinal que non son capaces de dicer en que consiste e ese pecado orixinal utilízase como panacea para descarregar no home toda a responsabilidade sobre a existencia do mal no mundo. Iso é malignidade, con iso habería que acabar dunha vez. -Dicías que outro conceito de Deus... -Eu teño o meu conceito de Deus, evidentemente. O meu conceito que parte doutras premisas. Ancórase na historia da filosofía e da ciencia. Partiría dos atomistas gregos -que din que a realidade está composta por átomos-, despois ligaría co rexeitamento de todo o platonismo -o platonismo é o culpábel de que se críen entidades ficticias que dominan e escravizan o home... entón para min, por tanto, o de Platón e Aristóteles habería que superalo... -Falas de Platón e Aristóteles como se fixesen parte da mesma escola, mais o que habitualmente se explica nas clases de Filosofía é que Platón era idealista e Aristóteles, materialista. -Vamos ver. Iso explícao alguén que non o explica quizá ben. Evidentemente, Aristóteles no fondo, no fondo, e na superficie tamén, continuaba sendo idealista. Eu teño escrito que era máis materialista que Platón, iso si, pero non digo que sexa materialista. É imposíbel que sexa materialista un autor que di que o fundamental no mundo é o pensamento e que Deus é pensamento. Que Deus é un acto puro. Espírito e acto puro. É imposíbel [que sexa materialista]. Quen manda no mundo? O motor inmóbel, o acto puro, e toda a realidade está subordinada ao elemento mental. -Iso lévanos a Hegel ao final. -Claro. Hegel foi o que extraíu as consecuencias de Platón e Aristóteles. E creou a filosofía para min do absurdo. A relixión non é capaz de explicar a existencia do mal no mundo. O cristianismo non é capaz -Entón dicías que primeiro os atomistas... -Si, despois estarían digamos os estoicos -que defenderon que o mundo era material, a alma era material, Deus era material- e logo estaría Paulo de Tarso, para min unha persoa moi antipática, mais que ten unha frase que é de enmarcar: Nós vivemos en Deus, movémonos en Deus, estamos en Deus. Nós somos unha parte de Deus. Nós vivemos en Deus. Iso xa indica que basicamente é un panteísta. Logo está Spinoza, que di que existe unha única substancia, que é Deus ou a natureza. Evidentemente para min é un autor moi ilustrativo. Daí chegamos á mecánica relativista, de Einstein, que identifica a enerxía coa materia. A materia non é máis que enerxía aprisionada ou supercondensada. Portanto, o mundo está feito de enerxía e a materia non é máis que outra maneira de se manifestar a enerxía. -Deus sería esa enerxía? -Evidentemente, pero esa enerxía hai que interpretala que opera dun modo mecanicista tal e como defendía Nietzsche. Dicía Nietzsche: "Deus non pretende nada". Para el, o mundo é un conxunto de forzas, a forza da enerxía, sen dirección nen meta. Se este mundo tivese a dirección dun ser omnipotente, omnisciente, tería que ter unha dirección de acordo con iso, e se ese Deus non sabe darlle esa dirección, é que ese Deus non existe. -Ese é un tema clave. A Relixión explica de forma cerrada a realidade e postula Deus como a causa última de todos os efeitos, de todos os fenómenos, da vida en definitiva. En troca, a Ciencia como orixe de todas as cousas coloca o azar. -Unha grande diferenza, quizá a maior, entre a ciencia e a relixión está en que esta é un sistema de fe. Oferécenche algo e isto é o que hai. Apreséntase un señor hai digamos 3.000 anos, talvez un poeta mesmo que escrebe por pasar o tempo e tal e resulta que din que esa é a verdade inmutábel. Non, digamos que a relixión certeza non dá ningunha. Di eles que dan certezas e para inculcarlle iso á xente criaron un sistema de terror, recorreron ao medo, que é o inferno, ao que condenan os que non son adherentes. A relixión oferéceche verdades últimas, definitivas, inmutábeis, etc que non existen porque o ser humano é un ser mutábel, toda a realidade é mutábel, etc, etc, iso dunha ética universal ten moi pouco sentido. Digamos que a ética está relacionada co tempo. E un dos problemas que ten a Biblia é que a sensibilidade que reflicten os textos sagrados non responde á psicoloxía de hoxe. Por tanto, o que lle falta a relixión e ao cristianismo é facerse céptica. Algo que foi falsado polos feitos -a suposta inspiración divina dos textos sagrados- iso hai que abandonalo. Que sentido ten continuar mantendo que Deus era un bon pai, que criou o mundo...? é que iso non ten sentido. A ciencia ten como premisa básica que hai que destruír as teorías anteriores. Procurar falsalas, demostrar que non son verdade. A base do noso coñecimento está aí. -Pero o que nos rexe é o azar? -Pois, evidentemente, todos os que defenden a teoría do Big Bang -e agora di o Papa que está de acordo con ela- din que o Big Bang foi froito do azar. -Un fenómeno fortuíto. -Si, froito do azar. Estouran as cousas, mais non se demostra en absoluto que haxa nada detrás nen que vaia a ningunha parte. -Volto a facer de avogado do diaño: e non é moi angustioso asumir un mundo sen fin nen propósito? -Vamos ver. A angustia...Eu entendo que a xente debe saber viver co que hai e debe adaptarse á realidade. Agora, se a alguén lle convence máis autosuxestionarse e pensar que existen cousas míticas pois... A ciencia ten como premisa básica que hai que destruír as teorías anteriores. Procurar falsalas, demostrar que non son verdade -Saíamos do beco existencialista. Plantéxoche agora o asunto do ensino da relixión nas aulas. Ti foche docente, conviviche con curas dando aulas, algúns verdadeiramente trentinos, ben, isto non ten moito xeito hoxe, non? -Xeito, evidente que para Igrexa si o ten. A Igrexa ten un beneficio enorme. Obtén adherentes. Porque crea unha falsa ideoloxía, defórmalles a mentalidade aos nenos desde que nacen. Pero iso continúa despois. Esa representación da realidade se llela introduces aos nenos de pequenos despois xa é o primeiro que se lles ocorre. Porque ter outra máis tal, baseada na razón e no coñecimento científico, sempre custa máis traballo. A Igrexa, ao estar nas escolas, obtén tamén cotizantes. A Igrexa é un poder político aínda moi importante. Controla boa parte do ensino, moitas leis están tamén mediatizadas pola relixión católica, todo iso fíxose en mutua connivencia do poder político e o poder relixioso, o poder político ten aí un celeiro de votos -de vellos que lle irán votar sempre, etc, etc- e o poder relixioso obtén tamén diñeiro en efectivo, a través dos concertos, etc. -O cristianismo é especialmente anticientífico ou sono por igual todas as relixións monoteístas? -Eu creo que o cristianismo foi máis belixerante contra a ciencia do que todas as demais. Hai que ter en conta que a relixión xudea era unha relixión nacional e xa non puido ter esa proxección. O cristianismo, si, por ser unha relixión universal que abarcaba case todo o planeta. Cando se fixo a relixión do Imperio no século IV con Constantino, converteuse nunha relixión de poder totalmente, enfrontada coa razón e a ciencia. Unha relixión de poder que esqueceu os principios que pregou Xesús, os principios dunha Igrexa dos pobres. -E o Islam? -Neste momento é unha relixión que aparece como máis integrista que o catolicismo porque a historia foi distinta. Quizá nunca foi tan belixerante coa ciencia, non tivo un enfrontamento tan duro como tivo o cristianismo. A Igrexa católica meteu no índice de libros prohibidos a todo o mundo. Matou moitísima xente durante o período inquisitorial -durante 600 anos máis ou menos. Unha represión feroz para dominar as conciencias. Unha relixión que ten que pór en práctica estes métodos para se estabelecer é que non ten argumentos para convencer e entón utiliza a represión. -Falas no libro da vontade do Papa Francisco de compatibilizar relixión e razón -en teoría o actual Papa asume o big bang e a teoría da evolución- e dis que en todo caso a refundación da Igrexa non pode ficar en declaracións ben intencionadas, mais contraditorias. -Moitos temos simpatía a este Papa. Mais Francisco non é capaz de poñer en práctica o que el promete. El non controla. Ninguén pode. Unha individualidade, por moi egrexia que sexa, non pode cambiar unha institución que está baseada nun ensino apoloxético e dogmático. O Papa como moito pode facer pequenos xestos. Pero evidentemente moitos xestos destes entran en contradición cos libros sagrados. Hai que ter en conta que os máis integristas como Cañizares, etc, teñen os textos bíblicos da súa parte. Portanto, o problema está nos libros sagrados. Está en consideralos libros inspirados. Se están inspirados por Deus, Deus puxo iso. Como se cambia a doutrina oficial sobre a homosexualidade? Quen é Francisco para mudar iso? O problema é ese. Despois canto á ciencia, eu penso que ese intento que se fala agora -de que é compatíbel e tal- é propia de persoas perdedoras que non saben aceitar a derrota. A derrota é que a ciencia demostrou claramente que o imaxinario cristián é falso. Entón dicer agora que uns textos como os bíblicos din o mesmo que o Big Bang... é que iso non ten ningún sentido. Aí non hai nada que compatibilizar, que conciliar. Ese non é coñecimento. A fe son actos cegos, non é un auténtico coñecimento. Non hai nada que conciliar. Se a orde no mundo se produciu a partir da desorde, a partir dun grande estourido, e, portanto, a partir do azar, a ver como casa aí poñerlle un Deus. -Como sería a refundación posíbel do cristianismo? -Eu xa perdín a fe en que poida refundarse. Digamos que para o facer tería que recoñecer un precepto básico, que é fundamental, que é que os libros que chaman sagrados son libros históricos, como todos os demais. Dignos de aprezo e de respeito, porque tiveron moita influencia na historia da humanidade, e a Igrexa pode consideralos como fundacionais, pero nada máis. E como se un partido se crease no ano 1000 e no ano 2000 quixese manter exactamente a mesma ideoloxía. Non pode ser. A Igrexa ten que partir de que os libros sagrados son libros históricos e que valen para unha época. -E como se os marxistas dixesen que O Capital é un libro sagrado, non? -Exacto. Eu cando vexo eses textos de marxistas que son escolásticos pois eu penso "isto non é ten sentido". Iso é exactamente xente que espera por un sistema en que lle dean todo feito, preparado, e renunciar a pensar. Non, hai que continuar pensando. E no tema do cristianismo temos que partir de que os libros sagrados son libros históricos e que a partir daí todo é posíbel. Caen por terra todos os dogmas. A Trinidade. A ver quen é capaz de entender iso. Eu ando a ver que alguén me explique ese dogma. E non hai quen sexa capaz. E, ademais, como foi tomado? Non sei se sabes que o dogma da Trinidade en concreto foi tomado por Constantino I o grande [emperador de Roma], que dixo: "Isto é o que hai que aprobar". Iso foi no concilio de Nicea. Iso aparece todo no próximo libro.
NOS_18756
Como un acontecimento cultural extraordinário, assim se espera a chegada da prosa completa de Álvaro de Campos amanhã, segunda feira, às livrarias de Portugal. O volume inclui textos inéditos.
Pela primeira vez reunida em livro, a prosa de Álvaro de Campos chega as livrarias da mão da Ática nesta segunda feira, anunciada como se dum bet-seller se tratasse.Do heterónimo de Fernando Pessoa recolhem-se agora 40 textos inéditos publicados num lançamento que em Portugal já se compara com a publicação de 'O Livro do Desassossego', há três décadas.Conhecido pela sua obra poética de marcado carácter metafísico, Álvaro de Campos descobre-se agora como um prosador, faceta esta quase desconhecida até a actualidade. Além de inéditos, o volume recolhe reorganizados os textos anteriormente publicados, incluindo o "Notas para a recordação do meu mestre Caeiro", de referência na prosa de Campos. Oferece o volume também a entrevista a Campos, a maneira que o próprio Pessoa tinha de desenhar e dar a conhecer o perfil de seus heterónimos. Em Lisboa, a cidade de Pessoa, amanhã será dia grande à espera do livro de Álvaro de Campos.
NOS_4209
As carreiras pola lingua desenvolveranse en 12 vilas e cidades galegas até o 16 de maio.
O Correlingua volve percorrer Galiza, un ano máis, coa língua de fóra. Amosando así o orgullo d@s máis nov@s polo galego. Esta actividade lúdico-educativa de reinvindicación da lingua galega, organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, A Confederación Intersindical Galega–Ensino e a Mesa pola Normalización lingüística, xunto cos Concellos de Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, arranca hoxe en Ourense para rematar en Viveiro o vindeiro 16 de maio. Ourense, Narón, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo, Tui, Moaña, Silleda, Monforte e Viveiro, serán os lugares de celebración destas carreiras que rematarán con espectáculos teatrais e musicais dirixidos ao alumnado. O testemuño que percorrerá Galiza reivindicando a plena normalización da nosa lingua, consiste nun manifesto escollido de entre todos os que se presentaron a concurso, e que nesta edición gañou o alumnado de 4º da ESO do CPI de Pontecesures As festas finais do Correlingua, ademais de contaren coa participación directa do alumnado, terán as actuacións -segundo o día e lugar- da actriz Iria Sobrado, do grupo de música infantil Pirilampo, ou dos grupos gañadores do concurso musical Cantalingua 2012, onde o alumnado escolle que grupo galego quere que actúe nas festas do Correlingua, e en que gañaron os grupos Xenderal, Chupadeskay e Roger de Flor e os Silvestres. Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país, e é unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participaren nun acto público de reivindicación do dereito a medraren en galego e tamén a exerceren de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro. O Correlingua, que xa vai pola súa decimo terceira edición, alcanzou ao longo destes anos unha alta participación dos centros de ensino e do alumnado nas diferentes actividades que se propoñen ao longo do curso (concurso de Banda Deseñada, Manifesto, vídeo …) e máis da implicación directa en todas as propostas que rodean as festas finais do Correlingua.
NOS_36946
Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950) é deseñador, cartelista e ilustrador. De seguro que algunha vez tiveron entre as mans algunha obra súa, pois foi o encargado de pórlle o deseño ás pezas de Sargadelos. Aliás, este ano foi o gran protagonista do Encontro Galego de Ilustración.
Participa vostede no Encontro Galego de Ilustración para dar conta da súa traxectoria no deseño e na ilustración. Que salientaría? Desde pequeno sempre debuxei, así que estiven toda a vida nese mundo. No instituto tiven como profesor Puchades e, unha vez rematado o bacharelato, presenteime a un exame de mestres de decoración da planta de Sargadelos. Era o 1968 e eu estaba a piques de facer a reválida. Daquela a planta estaba sen facer, había un anaquiño de fábrica que se vía perfectamente porque as columnas estaban pintadas doutra cor. E cando fun facer o exame estaba alí Isaac Díaz Pardo. E resultou elixido. Si, ao pouco, mandáronme unha carta do Castro en que se dicía que eu era a persoa indicada para o posto. Dicía tamén que esperaban que me trasladase á planta do Castro para me adaptar ás súas disciplinas. Cobraría 5.000 pesetas de dietas e tería os gastos pagos. Eu estaba pendente de facer a reválida, que ese ano caía en Betanzos (cada ano facíase nun sitio) e eu nin sequera sabía onde estaba O Castro (Sada), e era ao ladiño. Respondinlles a carta explicándolles cal era a miña situación e non me puxeron problema ningún. Comecei en agosto con cousiñas con pintura de sobrecuberta e dividindo pratos e logo xa fun para Sargadelos. "Sempre digo que tiven o privilexio de estar ao lado de Isaac" Que supuxo para vostede Isaac Díaz Pardo? Foi o meu segundo mestre, porque o primeiro foi Puchades. Sempre digo que tiven o privilexio de estar ao lado de Isaac. De feito, comecei colaborando con el. Despois xa fixen pezas totalmente miñas. E á marxe do seu papel como deseñador en Sargadelos, tamén é recoñecido polo seu traballo na ilustración e na cartelaría. No instituto, alá polo 66, fixera as ilustracións dun libriño pequeno que sacamos. E despois tamén empecei a crear carteis. O segundo libro que fixen foi para a editorial Celta, de Lugo, Terra Húmida. E despois tamén elaborei traballos con Edicións do Castro. Ilustrei A Diáspora, de Daniel Cortezón, e mais A saga dun afiador, de Xosé Fernández Ferreiro. E carteis... teño como uns 130. Tamén fixen murais en Foz, con rapaces. Usamos anacos de cerámica de plaquetas de Gres Burela. Como ve a situación do sector na Galiza? Fenomenal, porque hai unha cantidade de ilustradores e moi. E cada vez hai máis. Con todo, é difícil profesionalizarse. Si... algúns, moi poucos, poderán vivir, pero é difícil. Vivir da arte é moi complicado. Eu fun un privilexiado, fun vivindo porque tiña Sargadelos e iso permitiume facer as miñas cousas. Que proxectos ten a medio prazo? Ningún. Estou facendo agora cousas para min. Estou xubilado, teño 66, camiño de 67, e agora xa vou servido. Conste que sempre estou facendo cousas porque o paso ben e érgome á mesma hora que se for traballar. Agora colaboro con asociacións culturais, fago carteis como o da Queimada de Cervo... Hai que moverse sempre. Non pode un quedar na cama.
NOS_51853
Os nacionalistas solicitan que a Xunta reclame do Goberno central a plena territorialización do Imposto de Sociedades para que as empresas que operan en Galiza tributen á Facenda galega.
O BNG defenderá no Parlamento galego unha proposición non de lei para solicitar que a Xunta reclame do Goberno do Estado, "a plena territorialización do Imposto de Sociedades" e que as empresas galegas tributen na Facenda galega pola actividade xerada en Galiza. Afirman que dende que entrou en vigor o actual sistema, Galiza deixou de ingresar máis de 1.000 millóns de euros ao ano a respecto do modelo anterior @s nacionalistas critican que o goberno galego aceitara unha reforma do sistema de financiamento autonómico "que non asegura a suficiencia e a autonomía financeira galega polo que Galiza, dende que entrou en vigor o actual sistema, deixou de ingresar máis de 1.000 millóns de euros ao ano a respecto do sistema anterior". O BNG considera relevante incorporar o Imposto de Sociedades ao sistema de financiamento autonómicvo como acontece en Euskadi onde as empresas devengan este imposto pola parte que corresponde a actividade económica xerada no País Vasco, "incluídas as empresa galegas", mentres en Galiza empresas con centros de produción como Inditex, Citroën e Unión Fenosa tributan en Madrid.
PRAZA_9155
Julio Gómez-Pomar di que "non hai outros imputados" que o maquinista malia que tamén o está un cargo de Adif e presenta como colaboración súa coa xustiza un requirimento que lle fixo o xuíz a Renfe por ocultarlle documentación
Julio Gómez-Pomar di que "non hai outros imputados" que o maquinista malia que tamén o está un cargo de Adif e presenta como colaboración súa coa xustiza un requirimento que lle fixo o xuíz a Renfe por ocultar documentación"Non hai outras persoas imputadas" máis que o maquinista. Así o asegurou este luns no Congreso, na comisión de investigación sobre o accidente de Angrois, Julio Gómez-Pomar, presidente de Renfe cando ocorreu o sinistro, ao ser preguntado polo interese daquel Goberno do PP en focalizar no maquinista a responsabilidade do descarrilamento, segundo critican as vítimas. Porén, hai mes e medio o xuíz instrutor do caso propuxo, co apoio do fiscal, manter a imputación e xulgar tamén, xunto co condutor, a un cargo de Adif como corresponsable do accidente que deixou 80 mortos aquel 24 de xullo de 2013. Non foi esa a única vez que Gómez-Pomar negou a existencia dunha decisión xudicial sobre o caso na súa comparecencia durante a tarde deste luns na comisión na que, pola mañá, o ex-ministro Rafael Catalá negou que se obstaculizase a investigación para culpar ao maquinista.Gómez-Pomar asegurou no Congreso que tras o accidente a empresa pública e el mesmo centráronse na "atención ás vítimas" (salientando as xestións realizadas para facilitar as súas indemnizacións económicas, como fixo tamén o ex-ministro Catalá), a "transparencia informativa" e a "plena colaboración coa xustiza e co xuíz en Santiago". Porén, tanto Renfe como Adif foron apercibidos en varias ocasións por ocultar ou demorar a entrega de documentación ao xulgado.Cando o xuíz soubo da existencia dunha alerta previa sobre o risco de Angrois esixiulle a Renfe que lla entregase de inmediato porque, dixo, a empresa tivera "tempo máis que de sobra"En decembro de 2013 a dirección de Renfe, tras ser coñecedora de que un ano e medio antes do sinistro un maquinista xa alertara por escrito do risco dun accidente na curva de Angrois como o que acabou ocorrendo, non informou deses feitos ao xuíz ata que os desvelou o avogado do condutor do Alvia en xaneiro de 2014. O argumento que deu a empresa pública cando o instrutor o soubo e lle esixiu que en menos de tres días (fíxoo en cinco) lle comunicase o que sabía ao respecto desde un mes e medio antes foi que durante ese tempo estivera facendo unha investigación interna antes de revelarlle a existencia desa alerta previa. Segundo o xuíz, tivera "tempo máis que de sobra" para facelo.Este luns Gómez-Pomar explicou que, tras saber en decembro de 2013 da existencia daquela alerta previa sobre Angrois, pediu explicacións aos seus subordinados e, tras telas, el mesmo deu orde de que se lle trasladase toda a documentación ao xuíz, obviando que iso non se fixo ata que o xuíz llo reclamou, como admite o propio escrito co que Renfe respondeu ao xulgado uns días despois.Víctor Morlán, ex-secretario de Estado co PSOE, di que non soubo ata despois do accidente que a decisión de operar a liña Ourense-Santiago en ancho ibérico supuxo cambios tamén na súa seguridadeNa sesión de tarde da comisión tamén compareceu Víctor Morlán, que foi secretario de Estado cando era ministro de Fomento o socialista José Blanco. Morlán asegurou que aquel Goberno puxo en servizo a liña cando estivo rematada en decembro de 2011, sen precipitación e cunha planificación que viña de moitos anos atrás. Segundo dixo, el non foi coñecedor ata despois do accidente de que a decisión de operar en ancho ibérico a liña de AVE Ourense-Santiago en vez de en ancho internacional como o resto de liñas de alta velocidade acabou supoñendo cambios na configuración de seguridade que deixou sen protección a curva de Angrois. "Eu nos temas de carácter técnico non me metín nunca", dixo. Morlán tamén foi cuestionado sobre a orixe da primeira decisión, a de operar a liña en ancho ibérico en vez de internacional, que o daquela presidente de Adif atribuíu a Renfe e que o responsable desta empresa desviou a persoal técnico. O daquela secretario de Estado non aclarou quen propuxo inicialmente a medida pero considerou lóxico que a decisión final, para reducir impedimentos na circulación dos trens, se tomase en encontros conxuntos entre Adif, Renfe e o ministerio.Tras as intervencións deste luns, xa só restan por comparecer na comisión de investigación os ex-ministros de Fomento José Blanco e Ana PastorAs comparecencias de Gómez-Pomar e Morlán producíronse na sesión de tarde deste luns da comisión de investigación na que, pola mañá, o ex-ministro Rafael Catalá negou que Fomento obstaculizase a investigación de Angrois para culpar o maquinista e asegurou que el "actuaría igual" que como o fixo. Nesa sesión matutina tamén interveu Teófilo Serrano, presidente de Renfe co PSOE, que negou que hai catro anos criticase como pouco serias as análises de riscos da súa empresa, e Mario Garcés, subsecretario de Fomento co PP, que negou inxerencias na investigación oficial, invalidada pola xustiza e a UE.Tras as intervencións deste luns, xa só restan por comparecer na comisión de investigación os ex-ministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor, o socialista no cargo cando se puxo en servizo a liña de AVE Ourense-Santiago e se reduciu a seguridade nas vías e a segunda cando ocorreu o accidente tras reducirse tamén a seguridade nos trens Alvia e durante os primeiros anos da súa investigación.
NOS_18342
FCC é unha compañía con abundante obra construída na Galiza. Desde a súa primeira actuación, en 1972, leva executado centos de proxectos no ámbito da obra civil, entre eles coñecidos viadutos. Nós Diario percorre algunhas das pontes máis destacadas erguidas por esta empresa madrileña.
O viaduto sinistrado na A-6, no linde co Bierzo, entre Veiga de Valcarce e Pedrafita do Cebreiro, tiña unha significación especial para FCC. A isto, contribuíron os galardóns recibidos pola referida obra, destacando no ano 2002 o prestixioso premio internacional Puente Alcántara, que recoñece actuacións de edificación civil no ámbito Iberoamericano. Tanto é así, que a empresa cualificábaa en 2012 na documentación corporativa como "unha das obras de enxeñaría máis significadas e espectaculares realizadas en Europa na última década". Ao tempo, a construtora puña de relevo a tecnoloxía construtiva empregada nesta edificación. As conexións políticas no modelo de negocio de ACS e FCC Ao carón deste tramo da autovía do Noroeste, FCC, nesta ocasión en solitario, ergueu os coñecidos como viadutos de Pedrafita. As pontes, localizadas neste concello dos Ancares, foron galardoados no ano 2000 pola propia compañía co premio ao Fomento da Calidade. Trátanse de dous viadutos de 403 e 386 metros lineais, cunha altura máxima de pía de 95 metros e vanos de 75 metros. A estrutura conformase arredor dunha viga de lanzamento de 163 metros, que soporta diversas dovelas prefabricadas cun peso de 73 toneladas, cuxa unión conforma un caixón central de 10,7 metros de ancho e 3,7 de canto. Pezas prefabricadas e en desuso As pontes da Valenzá (Barbadás) e Allariz, no tramo entre o alto de Allariz e San Cibrao das Viñas da autovía das Rías Baixas, foron erguidas por FCC seguindo a mesma técnica construtiva empregada posteriormente no viaduto de Castro na A-6. A este respecto, as pontes edificáronse con pezas prefabricadas, que se empregaban hai máis de dúas décadas e actualmente atópanse en desuso. O viaduto de Allariz, con máis de 950 metros lineais e o de Valenzá, con 450, levantouse por vanos, mediante unha viga de lanzamento, sendo a primeira vez no Estado que os vanos se uniron a través dunha xunta seca e o pretensado exterior. A mesma autovía das Rías Baixas, neste caso no seu tramo entre Ourense, Barbantes e Melón, conta con dous viadutos erguidos por unha unión temporal de empresas (UTE) participada por FCC e Cubiertas MZV, actualmente integrada no grupo Acciona. A primeira das pontes, de 936 metros lineais, sitúase sobre o río Avia e está formada por dúas infraestruturas paralelas -unha por calzada- que cruzan o val do Avia, por riba da liña do ferrocarril, da estrada N-120 e do enlace a Ribadavia. O segundo dos viadutos, coñecido como de Barbantes, conta cunha lonxitude de 359 metros e cruza o encoro de Castrelo de Miño. A ponte de Lugo O viaduto sobre o río Miño na cidade de Lugo é a infraestrutura deste tipo máis coñecida das erguidas por FCC na Galiza. A obra foi adxudicada en 2009 polo Ministerio de Fomento -dirixido naquela altura por José Blanco- a esta construtora e foi inaugurada en xuño de 2011, representando un investimento de 30 millóns de euros. A ponte componse dun taboleiro de 195 metros de lonxitude, dos cales 95 metros transcorren sobre o río Miño e consta dun arco de aceiro de 2.000 toneladas. Ao tempo, os outros 100 metros restantes constitúen un viaduto de acceso á ponte que finalizan en glorietas a ambos os lados do río. As pegadas de FCC pódense seguir no conxunto da xeografía galega. Así, na comarca de Valdeorras, a Consellaría de Economía adxudicoulle en 2001 a execución das obras de acceso ao Barco de Valdeorras e unha ponte sobre o río Sil nesta localidade, dunha lonxitude de 396 metros lineais. Outro tanto, acontece cos viadutos da AP-53 no tramo de Santiago de Compostela e Dozón, na comarca do Deza, cuxa obra corresponde á construtora madrileña A autovía entre Vilalba e Ferrol foi edificada en varios tramos por FCC. Así, no seu treito entre Igrexafeita e Espiñaredo, no concello das Pontes, aparecen tres viadutos que no seu conxunto representan 953 metros lineais. O primeiro deles, denominado Espariza, conta con 444 metros de lonxitude, componse de dous taboleiros paralelos de 11,30 metros e está edificado sobre trabes de caixón e lousa de formigón. O segundo, designado Ramadela, ten 250 metros, está formado por dous taboleiros paralelos e foi levantado seguindo a mesma técnica edficatoria que o anterior. O último, coñecido como o de pena Eiriz, suma 259 metros e está asentado sobre catro estribos e doce pilas ocas. A A-8, popularmente coñecida pola autovía do Cantábrico malia non seguir nos seu tramos galegos un trazado costeiro, conta con varios viadutos erguidos por FFC, entre eles o do río Trimaz entre Regodevide e Vilalba.
PRAZA_17126
O evento celebrarase na Guarda do 11 ao 14 de xullo e servirá de pulo para o movemento de recuperación e posta en valor do amplo patrimonio marítimo fluvial da vila. O peirao vasco de Trintxerpe acolle estes días o I Festival Marítimo de Pasaia.
O peirao vasco de Trintxerpe (en Pasaia, Guipúscoa) acolleu esta mañá a presentación do próximo Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Un evento que se celebrará na Guarda do 11 ao 14 de xullo e que servirá de pulo para o movemento de recuperación e posta en valor do amplo patrimonio marítimo fluvial da vila. Xaquín Cadilla (presidente da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro) e Xaquín Lores (membro da directiva de Culturmar, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial) foron os encargados de explicar ao público do I Festival Marítimo de Pasaia os detalles do evento. Ao igual que no anterior Encontro, celebrado o verán pasado en Combarro, contará coa presenza dunha delegación do municipio vasco. Así o asegurou a alcaldesa de Pasaia, Izaskun Gómez, que puxo en valor os numerosos vínculos existentes entre a cultura de Galicia e a dunha vila que acolle á comunidade de galegos fóra de Galicia máis extensa do Estado español. O verán pasado Combarro acolleu ao redor de 150 barcos chegados de todo o país pero tamén de Portugal ou do País Vasco. Á senda de colaboración entre o Concello de Pasaia e Culturmar iniciada o verán pasado en Combarro aínda lle quedan quilómetros por andar, destaca a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Quedou patente este sábado na presentación do próximo Encontro de Embarcacións da Guarda, un evento co que a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial quere contribuír á recuperación do patrimonio desa vila situada na fronteira entre Galicia e Portugal. O presidente de Piueiro, asociación de recente creación nacida co obxectivo de impulsar a posta en valor da riqueza etnográfica e cultural ligada aos cauces fluviais (nomeadamente, ao río Miño) e ao litoral da Guarda, quixo agradecer o respaldo recibido dende Culturmar. Xaquín Cadilla amosou a súa vontade de traballar arreo para que a localidade pontevedresa chegue ao vindeiro Encontro "lista para amosar ao público todo o seu patrimonio etnográfico, cultural e tamén gastronómico". A presentación do Encontro da Guarda celebrouse no espazo expositivo de Galicia no I Festival Marítimo de Pasaia. Un espazo no que dende o pasado xoves a comunidade galega loce o bo facer dos seus artesáns e artesás con mostras en vivo de oficios tradicionais. Aos zoqueiros, redeiras, palangreiras, carpinteiros de ribeira e palilleiras únense ademais degustacións gastronómicas de conservas do mar galego. Todo isto, xunto coa música tradicional que resoa ao longo de toda a xornada, teñen conseguido que o peirao de Trintxerpe se converta nun constante bule bule dun público totalmente entregado ás singularidades, tamén turísticas e paisaxísticas, de Galicia, adiantando o que se poderá ver na Guarda no verán.
PRAZA_4933
Manifestacións en varias cidades galegas apoiarán este mércores as Marchas da Dignidade do 22M. Un día despois, a Alianza Social convoca a cidadanía a saír á rúa en numerosas localidades "por outra saída da crise".
Con 24 horas de diferenza, dúas manifestacións sacarán xente ás rúas das principais cidades galegas en protesta contra os recortes, o desmantelamento do Estado de Benestar e as políticas do PP no Goberno central e na Xunta de Galicia. A primeira será este mércores 26, nunha convocatoria de apoio ás Marchas da Dignidade que confluirán en Madrid o vindeiro 22 de marzo. A segunda, un día despois, convocada pola Alianza Social Galega e para reclamar "outra saída da crise". A plataforma galega de apoio ás Marchas do 22M convoca manifestacións para este mércores 26 O SLG, a FPG ou a CUT, como integrantes ou apoios da Plataforma Galega pola Marcha da Dignidade, veñen de insistir na súa chamada á mobilización para este mércores nunhas manifestacións previstas para as 20 horas en Vigo, A Coruña, Pontevedra, Ferrol, Compostela, Lugo, Ourense e Vilagarcía. Volverán os denominados sindicatos "alternativos" -entre os que se inclúen tamén CGT, CNG, SF-IN, S. Elevación ou STEG- a animar á participación da cidadanía galega nas Marchas que chegarán a Madrid en protesta "polas políticas antiobreiras da UE, da troika e do Goberno español". Estas manifestacións, ao igual que as Marchas, continúan recollendo adhesións, como as da Plataforma Galega de Artes Escénicas, Stop Desafiuzamentos, Fronte Cívica ou colectivos veciñais como o Movemento a Prol dos Bens Comúns de Marín. Durante esta semana, a plataforma -que conta tamén co apoio de EU, Anova ou a FPG, fixo a súa presentación en varias localidades galegas e intentará concienciar a cidadanía con esta mobilización. Tal e como aclaran os seus portavoces, as Marchas da Dignidade "non son unha manifestación máis nin unha excursión a Madrid, senón un proceso que vai máis aló, un movemento subvertivo que pretende aglutinar todo o mundo do ámbito social, cultural, político ou sindical antisistema". Entre os convocantes das Marchas están tamén a nivel estatal Izquierda Anticapitalista, Izquierda Castellana, Red Roja, varios colectivos do 15M, o SAT andaluz, as CUP ou Endavant. Desde varios puntos da península xa hai preparados para confluír o vindeiro 22 de marzo en Madrid. A Marcha da Dignidade galega pide que se restitúa ao pobo "dos millóns entregados ao poder financeiro, a derrogación da lexislación laboral e das pensións actuais e a reversión das medidas destrutoras dos servizos públicos". Ademais, reclama "contratos fixos e salarios suficientes, a redución da semana laboral a 30 horas para que todos e todas poidan traballar e a fixación de salarios e pensións mínimos suficientes". Do mesmo xeito, solicitan "a incautación das empresas de sectores esenciais para as vidas como a enerxía ou a auga" e o dereito á vivenda digna e ao aborto libre e gratuíto. Por último, agardan a "retirada" da lei mordaza e a "promulgación de políticas racionais para a agricultura e o medio ambiente". A Alianza Social chama a saír á rúa en varias localidades "por oura saída da crise" e contra os recortes e a xestión da crise Non son reivindicacións moi diferentes das que defenderá a Alianza Social Galega, que agrupa os tres principais sindicatos (CIG, CCOO e UGT), así como uns 60 colectivos máis nos que, por exemplo, tamén se inclúe o SLG. Apoiada tamén por plataformas a prol da sanidade pública ou de emigrantes retornados, entre outras organizacións, volve saír á rúa Por outra saída da crise, un lema que resume as reivindicacións dunha maioría social que considera que "coas políticas do PP non hai saída á crise" ou haina, pero deixando atrás "unha maioría da cidadanía". Serán manifestacións e concentracións que comezarán entre 19.30 e 20 horas nas sete cidades galegas, ademais de en Vilagarcía, Burela, Ribeira, Monforte, Vilalba e Cangas. A Alianza Social Galega resume as súas reivindicacións nun manifesto de cara ás marchas deste xoves. No texto, a plataforma denuncia varias das políticas levadas a cabo pola dereita en Galicia e no Estado. Así, censura o recorte das pensións, os "retrocesos" no ensino público galego, as "agresións" á sanidade pública", a "paralización" da lei de dependencia, a privatización dos servizos públicos ou o "ataque" aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. Tamén denuncia o Estado policial, a reforma da lei hipotecaria, o abandono do rural ou as medidas que dificultan o traballo dos autónomos.
PRAZA_203
Un estudo revela a pervivencia entre a xente nova da aceptación de actitudes como o control de horarios, o impedimento de ver a familia ou a prohibición de traballar. Mozos e mozas "tenden a exculpar o agresor e culpabilizar a vítima en maior medida que a poboación adulta", alerta.
Os ciumes son unha expresión de amor, as parellas deben comportarse como unha soa persoa, é bo que o home sexa un chisco superior á muller, "se alguén che pega, pégalle ti"... Un recente estudo elaborado pola Universidade Complutense de Madrid a instancias da Delegación do Goberno central para a Violencia de Xénero amosaba como moitas destas mensaxes aínda forman parte da educación da infancia e da adolescencia, ata o punto de escoitalas con relativa asiduidade nas súas contornas familiares. Son mensaxes que actúan como xermolo perfecto para a pervivencia do machismo e a súa expresión máis dura, a violencia, agresións non necesariamente físicas que nalgunhas das súas manifestacións aínda son toleradas por arredor dun terzo da xente nova, isto é, pola poboación de entre 16 e 29 anos. Na senda do inquérito elaborado polo CIS durante 2012 que reflectía a tolerancia con determinadas actitudes ligadas á violencia machista no conxunto da poboación do Estado, a socióloga Verónica de Miguel, da Universidade de Málaga, vén de debullar estes datos por encarga da delegación gobernamental para analizar canta desta tolerancia agroma tamén entre a mocidade. E os resultados amosan ás claras que o rexeitamento non é aínda total, especialmente nas formas de violencia machista que non implican golpes. Así, nunha ollada xeral, o rexeitamento xenérico á violencia de xénero é practicamente total, toda vez que o 96% das mozas e o 92% dos mozos aseguran considerala "totalmente inaceptable". Pero, resalta o estudo, "non todas as formas de violencia de xénero suscitan o mesmo rexeitamento nin todos os comportamentos que constitúen maltrato son identificados como tales". Deste xeito, dentro da mocidade e adolescencia que di non tolerar a violencia existe practicamente un terzo que "considera inevitable ou aceptable nalgunhas circunstancias" a posibilidade de "controlar os horarios da parella", "impedirlle á parella que vexa á familia ou ás amizades", "non permitir que a parella traballe ou estude" ou "dicirlle as cousas que pode ou non pode facer". Entre a mocidade persiste a aceptación de actitudes como o control de horarios, o impedimento de ver a familia e as amizades ou a prohibición de traballar Esta porcentaxe de tolerancia é aínda maior á hora de preguntar polas discusións ou os berros. Para o 45% da mocidade que di non tolerar a violencia resultan aceptables as liortas constantes no seo da parella ou berrarlles aos fillos e fillas. Nesta liña, aos datos para a preocupación súmase o feito de que entre "os e as adolescentes de entre 15 e 17 anos" haxa "unha lixeira maior tolerancia que entre o resto da mocidade á violencia verbal". Así, mentres que 7 de cada 10 persoas de entre 18 e 29 anos a aceptan, a cifra sobe ata o 10% entre a poboación de 15, 16 e 17 anos. Ademais, ata o 34% dos mozos din tolerar a violencia de control na parella, mentres que se o campo de estudo son os homes de todas as idades a aceptación baixa ao 30%. "Aínda que as diferenzas son pequenas, os mozos de 15 a 29 anos son máis tolerantes que o conxunto da poboación coa violencia de control", conclúe o estudo. A persistencia da culpabilización A xente nova "tende a exculpar o agresor e culpabilizar a vítima en maior medida que a poboación adulta" As xeracións máis mozas aínda traen consigo unha certa tolerancia á violencia machista e, ao mesmo tempo, tamén perviven nelas as actitudes que tenden a culpabilizar as vítimas e non os agresores. Así, segundo o estudo, entre a mocidade existe "algo máis de acordo que no conxunto da poboación" sobre algúns dos estereotipos que sitúan na muller a responsabilidade de ser maltratada. Así, o 39% dos mozos e o 35% das mozas están "moi ou bastante de acordo" con que "se as mulleres sofren maltrato é porque o consenten". As cifras baixan un chisco entre o conxunto da poboación, onde o grao de acordo é de tres puntos menos entre os homes e dous menos entre as mulleres. Unha proporción semellante da xente nova, o 40%, é a que "tende a exculpar o agresor" ao considerar que "adoitan ter algunha enfermidade mental". Neste contexto, o inquérito alerta da conclusión de que a xente nova "tende a exculpar o agresor e a culpabilizar a vítima en maior medida que a poboación adulta", se ben "as diferenzas non son elevadas". No entanto, resalta tamén, "máis de un de cada dous mozos rexeitan estes dous estereotipos", concretamente, o 52% dos homes e o 57% das mulleres de entre 15 e 29 anos.
NOS_12348
A Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), xunto co Concello e coa Deputación de Pontevedra, bota a andar media ducia de cursos de verán en Pontevedra, Vigo, Portas e no Centro Penitenciario da Lama.
A comunicación, a igualdade, os dereitos humanos ou a filosofía son algúns dos temas arredor dos que versarán os cursos de verán que a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) vai desenvolver en Pontevedra, Portas, Vigo e no Centro Penitenciario da Lama e que presentaban esta segunda feira o director da UNED, Víctor Manuel González; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Os seis cursos están dirixidos ao conxunto da cidadanía e desenvólvense nun formato mixto, presencial e en liña, polo que non teñen límite de participantes, agás o que decorrerá no cárcere da Lama, "Constitución e dereitos", que terá lugar do 30 de xuño ao 2 de xullo. Todos os cursos teñen, ademais, unha duración de 20 horas. Impartirase en Vigo, do 5 ao 7 de xullo, "O silencio social, gran cómplice do machismo"; en Pontevedra decorrerán tres, "Os valores da comunicación na sociedade hiperconectada", "O Camiño de Santiago e o Islam" e "Filosofía en tempos de incerteza, entre o 7 e 0 9 de xullo; e no concello de Portas, entre o 14 ao 16 de xullo, levarase a cabo "As crises políticas na España contemporánea". Carmela Silva puxo en valor "tanto á UNED como elemento relevante, como a estes cursos cos que facemos cultura e trasladamos coñecemento porque queremos que Pontevedra sexa o territorio da educación". A presidenta puxo en valor o nivel das persoas que van ofrecer os relatorios, entre ás que destacou ás xornalistas Nieves Concostrina e Vicente Vallés, á artista Gemma Marqués ou ás catedráticas en filosofía Antonio García-Santesmases e Amelia Valcárcel. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores referiuse a que o formato dos cursos contribúe a estimular a economía, "algo moi importante nestes momentos de falta de turismo e de crise económica". Para Lores os cursos formulan temas fundamentais sobre os que é preciso discutir "para logo tomar decisións". Víctor Manuel González destacou a importancia de que o alumnado poida volver a acudir a estes cursos de modo presencial. O director da UNED agradeceu "a confianza e a axilidade das institucións", Deputación e Concello de Pontevedra, pola súa colaboración e ser "sempre xenerosas" coa universidade.
NOS_5948
Os cambios continúan na Xunta da Galiza. Ao adeus dado por Núñez Feixoo á conselleira de Educación e ao titular de Sanidade, sumáronse as substitucións do xerente do Sergas e do responsábel de Maiores. Ámbitos, todos eles, onde posíbeis investigacións sobre a xestión da crise sanitaria podería pasar maior factura.
As mudanzas continúan no círculo máis próximo ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, por unha banda para renovar rostros nas consellarías máis desgastadas pola xestión da crise sanitaria (Sanidade e Política Social) e, por outra, para facer os cargos do Goberno á súa imaxe e semellanza, sendo consciente tal e como o propio Feixoo anunciou, que a presente lexislatura será a súa derradeira á fronte do Executivo galego. Así, esta quinta feira, 17 de setembro, ao remate do Consello da Xunta, Núñez Feixoo anunciou 19 cambios nos principais cargos directivos na segunda escala de organización das consellarías de Sanidade e Política Social, xustificando as substitucións en Saúde coa entrada do novo conselleiro, Julio García Comesaña, e a configuración do seu propio "equipo". Deixan pois o cargo o até o de agora xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, e o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares. O primeiro será relevado por Julio Flores e o segundo por Carmen Durán. En Política Social, que engloba as residencias de maiores e dependencia, nas cales se rexistra case a metade de falecementos a causa da Covid-19 na Galiza, créase a Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria, que exercerá o doutor Antón Acevedo, e haberá substitución na área de Maiores e Persoas con Discapacidade e mais na de Familia. Da primeira cae Ildefonso de la Campa e da segunda María Amparo González, sendo substituídos por Jacobo Rey e Fernando González Abeixón. Estes cambios seguen aos efectuados nas consellarías de Ensino e Sanidade, nas que non revalidaron nin Carmen Pomar nin Jesús Vázquez Almuíña, os dous titulares do Executivo máis criticados. Dirección de Maiores Idelfonso de la Campa comezou a súa carreira política institucional hai moitos anos, en 1995, como asesor na Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta. Mais foi agora, pola criticada xestión da crise nas residencias, cando saltou á palestra. O político chegou a cualificar de "inevitábel" o aumento dos falecementos nos centros de maiores, argumentando que se debía á "fraxilidade" deste sector poboacional. Pola súa responsabilidade nos centros xeriátricos, a Federación galega de asociacións de familiares e usuarias de residencias (REDE) presentou na Fiscalía Superior da Galiza unha denuncia contra altos cargos da Consellaría de Política Social, nomeadamente contra De la Campa, por delitos de denegación do auxilio, abandono, omisión de socorro con resultados de mortes e lesións, de forma dolosa e con prevaricación, na actuación previa e na propia xestión da crise da pandemia nas residencias. Cambios nas delegacións para un partido monocor Feixoo aproveita os cambios nas delegacións territoriais da Xunta para rodearse de acérrimos e rematar coa idiosincrasia do PP de Lugo. Precisamente é aquí onde o partido carece de poder, sen a Deputación nin a Alcaldía da cidade amurallada, polo que a Delegación da Xunta é ouro. O até de agora responsábel dela, José Manuel Balseiro, dá paso a Javier Arias no posto, quedando como mero deputado. Feixoo non esquece o apoio de Balseiro a Xosé Manuel Barreiro -home forte do PP lugués- que se candidatou e perdeu contra Feixoo na carreira pola sucesión de Fraga en 2006. Ademais, Balseiro apoiou Elena Candia para a presidencia provincial do PP en Lugo, fronte á candidata de Feixoo, Raquel Arias. Gañou Candia, alcaldesa de Mondoñedo que deixou este ano o bastón de mando para encabezar a candidatura por Lugo á Xunta e recuperar votos para Feixoo. Agora Candia fica tamén sen posto no Goberno e relegada só a deputada. Fontes luguesas sinalan que a relación política entre Balseiro e Candia non pasa polo seu mellor momento. Marta Fernández Tapias será a delegada da Xunta en Vigo, Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña, colle a de Pontevedra, Gonzalo Trenor liderará a da Coruña e Alén Castro a de Ourense.
NOS_55568
Un xigante vivo da poesía en castelán lerá os seus poemas a segunda feira na Coruña. Antonio Gamoneda (Oviedo, 1931) protagonizará con Dores Tembrás (Bergondo, 1979) a xornada mensual do ciclo Poetas Di(n)versos.
Introducidos por Yolanda Castaño (Santiago de Compostela, 1977), creadora e coordinadora do programa, Gamoneda e Tembrás xuntan voces xeracionalmente distintas aínda que, dalgún xeito, próximas no seu entendemento do que é un poema e o que é o silencio nun poema. Autora de O pouso do fume (2011), Cronoloxía de urxencia (2014) e Auga através (2016), Tembrás recibiu, en palabras da organización, "un dos maiores consensos críticos dos últimos anos". Ao seu labor poético engade o de editora e co fundadora do selo Apiario e "a docencia na escrita creativa". Na xa extensa obra de Antonio Gamoneda figuran libros como Blues castellano (1982), Libro del frío (1992), Arden las pérdidas (2003) ou La prisión transparente (2016). Influínte como poucos poetas en activo, recibiu os máis elevados premios outorgados nas letras españolas: o Nacional, o Reina Sofía e o Cervantes. En non poucas ocasións manifestou a súa admiración pola poesía galega contemporánea. O recital de Poetas Di(n)versos será a segunda feira 19 de febreiro ás oito e media do serán no Centro Ágora da Coruña. As persoas interesadas poderán adquirir libros dos autores á venda nun posto dunha "libraría de proximidade". Nota: foto da poeta Dores Tembrás
NOS_54586
Celebran o aniversario procurando o apoio social nas redes
Desde a Iniciativa Galega pola Memoria, integrada na coordinadora estatal de Apoio á Querela Arxentina (CeAqua), chaman a celebrar o décimo aniversario do procedemento mediante a visibilización do respaldo social do que goza, expresado a través de cartas, textos, imaxes, vídeos... que serán compartidas nas súas redes sociais. A compilación terá lugar até 21 de abril. A querela arxentina, iniciada coincidindo coa data de proclamación da II República, fai a década recoñecendo os logros conseguidos, mais sen esquecer que a causa xudicial se tramita na Arxentina porque "o Estado español continúa a desenvolver políticas de impunidade impropias e incompatíbeis cun sistema democrático". O procedemento botou a andar en 2010, en virtude do principio de xustiza universal, para investigar os crimes contra a humanidade cometidos durante a ditadura franquista. A relación de delitos que pescuda o Xulgado Criminal e Correccional Federal 1 da República Arxentina inclúe desaparicións forzadas, fusilamentos, paseos, roubos de crianzas, traballo escravo, torturas, malos tratos e abusos en campos de concentración e preventorios, detencións arbitrarias, persecucións ou agresións sexuais. Facendo balance, desde CeAqua consideran que conseguiron "que a querela arxentina sexa un dos instrumentos máis eficaces de denuncia e de loita contra as políticas de impunidade do Estado español". Neste senso, continúan a denunciar a falta de investigación xudicial dos crimes cometidos e o uso "dun discurso de esquecemento, amnesia e perdón oficial aos criminais franquistas, invocando unha suposta dinámica de reconciliación 'entre españois'". Entenden que isto representa unha "flagrante violación do Dereito Internacional dos Dereitos Humanos, pois o Estado español está a incumprir sistematicamente as obrigas contraídas tras a ratificación dos Tratados Internacionais na materia". Recordo de Darío Rivas Desde CeAqua quixeron igualmente aproveitar o décimo aniversario para reafirmar o seu compromiso coa causa penal que, segundo afirman, seguirán "impulsando a pesar dos sistemáticos obstáculos impostos polo Estado español". Tamén lembran a todas as persoas que faleceron nestes últimos anos despois de traballar "con tanto esforzo a fin de que o proceso xudicial fose un referente na loita contra a impunidade", cunha mención moi especial ao galego Darío Rivas —finado hai hoxe xusto un ano—, que foi o primeiro querelante, así como a Carlos Slepoy e o recentemente finado Chato Galante, como impulsores esenciais de CeAqua.
NOS_10836
A Cidade da Cultura, en Compostela, foi hoxe o escenario da entrega dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galiza 2020
A Cidade da Cultura, en Compostela, foi esta cuarta feira o escenario da entrega dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galiza 2020. Uns galardóns que recoñeceron o traballo dos arquitectos Juan Ignacio Prieto, Faustino Patiño e Estefanía Grandal, Leonardo Llamas, Juan José Otero e Cecilia López, Juan Antonio Caridad e Isidro López, Alfonso Penela, e un recoñecemento especial á traxectoria profesional de Manuel Gallego Jorreto. O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, foi o encargado de facer entrega dos galardóns e aproveitou a súa intervención para sinalar que nos proxectos galardoados se reflicte "o compromiso da arquitectura de Galiza coa recuperación urbana, paisaxística e coa sustentabilidade para deseñar as vilas e cidades do mañá". Feixoo engadiu que a arquitectura "ten moito que dicir na reconstrución económica que afrontamos". Os proxectos premiados O arquitecto do Carballiño, Manuel Gallego Jorreto, recibiu o Premio á traxectoria profesional, un recoñecemento que pon en valor o seu traballo "innovador e de respecto pola tradición e pola paisaxe". "Comprometido coa funcionalidade e coa beleza, coa terra, cos valores e coa nosa cultura até o extremo de poder dicir que as súas obras son patrimonio arquitectónico de Galiza", abundou Feixoo. O Premio de Arquitectura foi para a escola infantil A Veigadaña, en Mos. Proxecto de Juan Ignacio Prieto, Faustino Patiño e Estefanía Grandal. O galardón de rehabilitación dividiuse entre a rehabilitación, propiamente dita, a reconstrución e a intervención. Os proxectos gañadores foron a reconstrución dunha vivenda afectada polo lume en Saa (Carballeda de Avia), obra de Juan José Otero e Cecilia López; a intervención no Pazo de Toubes (Cenlle), obra de Juan Antonio Caridad e Isidro López; e unha vivenda da Praza de Pescadores (Vigo), rehabilitada por Alfonso Penela. Deste último, Núñez Feixoo explicou que "hai un Vigo contemporáneo que non se explica sen el". O premio especial á sustentabilidade recaeu no arquitecto Leonardo Llamas, que levou a cabo a rehabilitación "centrada na eficiencia", dun edificio de oito vivendas, que no seu día acolleu o Hotel Galiza, situado no centro de Vigo.
PRAZA_15218
O avogado de Mare Shipping acusa de levar o barco "ao corazón da tormenta" a López Sors, que culpa a rescatadora do "rumbo errático" e que insiste en que afastalo foi a mellor opción.
O ex director xeral da Mariña Mercante, José Luís López Sors, teimou en eximir de calquera responsabilidade os seus superiores, o Goberno ou a el mesmo pola catástrofe do Prestige e desta vez culpou a empresa holandesa Smit Salvage, contratada pola armadora do buque para o seu rescate, do "rumbo errático" do petroleiro, asi como de "maiores verteduras" durante o reinicio do xuízo que se celebra na Coruña. "Afastar o barco foi o máis útil, o máis conveniente e o mellor desde o punto de vista de defensa da costa", insiste López Sors Ademais, López Sors volveu defender que a decisión de afastar o barco foi "a máis útil, a máis conveniente e a mellor desde o punto de vista de defensa da costa" e teimou en que era o "menos daniño" para ela. O ex cargo de Fomento confirmou que se estudaran outras opcións, como levar o buque ao porto da Coruña, aínda que se descartou porque, segundo un informe do práctico, "era unha temeridade". Tamén explicou que se meditara introducir o Prestige na ría de Ferrol ou na de Ares, pero que "inconvenientes" de fondeo tamén o impediran. Ademais, precisou que nin tan sequera coa normativa actual "é obrigatorio meter o barco en porto refuxio". O avogado da propietaria do Prestige acusa o Goberno español de "prefabricar un desastre" coas súas decisións O avogado Santiago Zabaleta, defensa de Mare Shipping -propietaria do Prestige-, interrogou con dureza a López Sors, chegando a enfrontarse verbalmente con el sobre as decisións tomadas, a situación do buque ou as cantidades de fuel vertidas ao mar. Así, o letrado acusou o ex director xeral de levar o barco "ao corazón da tormenta" e de "prefabricar un desastre", tras cuestionar que houbese contaminación nas primeiras horas do accidente, como sostivo o ex cargo público para xustificar o seu afastamento. Por outra banda, e a preguntas do avogado de Arco Iris, López Sors insistiu en que o día 14 había un risco "moi elevado" de que o Prestige embarrancase e asegurou que iso sería "tremendo" para a costa galega porque o barco "iría durante anos e anos soltando dosificadamente o fuel que levaba nas súas tripas". Mentres, mostrou as súas dúbidas de que o barco puidese chegar á ría de Corcubión -unha das posibilidades expostas por algúns expertos- e reiterou que non se considerou esta opción nin houbo "ningunha proposta" respecto diso. Ademais, sostivo que o vento do suroeste "comeríase o barco en dous días". López Sors acusa a rescatadora do buque por falta de "dilixencia" Por outra banda, atribuíu a responsabilidade sobre o barco, desde a madrugada do día 15, á empresa holandesa Smit, especializada no remolque e asistencia de buques, á que acusou de falta de "dilixencia". "Veunos a mar de ben a todos, pero sobre todo a Galicia, que estes expertos actuasen unha hora despois de que o armador autorizase o uso de remolcadores", sinalou tras achacarlles un "atraso de 24 horas" na súa chegada á Coruña e facelo "sen ningún equipo", apuntou. Ademais, argumentou que, cando esta empresa asume o control do barco, "é cando se produce o cambio errático, o cambio de remolcadores e o que produce maiores verteduras", sinalou Sors, quen apuntou que a Administración española se dedicaba neses momentos "a tratar de defender a costa española". No entanto, a preguntas da avogada que representa, como acusación, á naviera Mare Shipping, María José Rodríguez, admitiu que as autoridades españolas fixeron asinar aos representantes de Smit, para ter o mando do barco, un documento no que se comprometían a mantelo a "non menos" de 120 millas da costa. Sors negou que con esa esixencia condicionasen o traballo para "salvar" o buque da compañía. Mentres, admitiu que, nos días posteriores ao 13 de novembro, lanzáronse ideas como a de "bombardear o barco", exposta polo entón alcalde da Coruña, Francisco Vázquez.
NOS_52001
CIG, CCOO e UGT apoian publicamente a iniciativa para reclamar o indulto para o veciño do barrio do Calvario. Exixen a súa liberdade e denuncian "a laxitude dos tribunais contra casos de corrupción e outros delitos graves"
As unións comarcais de Vigo da CIG, CCOO e UGT trasladaron publicamente o "pleno apoio á petición de indulto para o cidadán David Reboredo". Para os sindicatos este caso "pon en evidencia a aplicación desigual da xustiza" posto que "contrasta a dureza das condenas contra unha persoa que naquela altura estaba enferma, coa laxitude dos tribunais contra casos de corrupción e outros delitos graves". Denuncian que "ao tempo que si se lle concede a banqueiros e políticos corruptos ou a policías condenados por torturas, amosa nula sensibilidade social e a ausencia de proporcionalidade no castigo". Os sindicatos entenden que "o obxectivo de reinserción e reeducación que segundo o ordenamento legal vixente perseguen as penas de cadea, a permanencia de David Reboredo en prisión supón un acto de inxustiza que ademais tronza as súas posibilidades de retomar a súa vida libre de adicción" polo que exixen ao Goberno español "que acorde o indulto que permitirá a súa saída en liberdade". A petición de indulto para este veciño do calvario tivo até agora moitos apoios. O Concello de Vigo aprobou en decembro por unanimidade unha moción presentada polo BNG na que solicitaba outra petición de indulto no suposto de que as que xa lle foron enviadas ao Executivo español e a El-Rei viñesen denegadas. Campaña de sinaturas O pai de David Reboredo ten na rede unha campaña de sinaturas nas que solicita o indulto para o seu fillo. "O meu fillo entrou no cárcere. Dúas apelinas teñen a culpa. Agora que David conseguiu vencer á droga, unha sentenza que chega tarde obrígao a entrar no cárcere da Lama, en Pontevedra. O Goberno indultou a catro Mossos d´Esquadra condenados por tortura en Barcelona. É iso Xustiza?" afirma ao comezo da petición. O texto da petición aberto en Change.org remata dicindo "non se pode enterrar así a un mozo que conseguiu vencer ás drogas: esta sentenza non deixará refacer a súa vida ao meu fillo por un erro que cometeu hai 6 anos". A campaña continúa na rede e polo de agora conseguiu máis de 148.700 apoios.
NOS_44732
Continúan as más novas para o presidente dos EUA. Michael Cohen oferécese a colaborar con Robert Muellen, o fiscal especial que investiga as hipotéticas interferencias de Moscova nas eleccións presidencias de 2016. Cohen rexeita un eventual indulto de Trump, anuncia o seu avogado, Lanny Davis.
Cohen declarou esta mesma semana que por indicación de Donald Trump pagou diñeiro a dúas das súas amantes para que non contasen nada á imprensa. A xustiza pode considerar os pagamentos como contribucións ilegais á campaña electoral. O ex avogado de Trump —traballou para o magnate por espazo dunha década— asumiu a súa responsabilidade nun interrogatorio con axentes do FBI e o seu horizonte é a prisión pola comisión de delitos electorais. A resposta de Trump é que el pagou ese diñeiro do seu peto —e non dos fondos da súa campaña— e que Cohen só di o que di para, mediante á colaboración coa xustiza, rebaixar a súa pena. En todo caso, a confesión de Cohen non o afastará presumibelmente da cadea. Porén, o ex home de confianza de Trump renuncia por anticipado á perspectiva de ser indultado polo presidente. "Nunca aceptaría o perdón dalguén que actuou de xeito tan corrupto", dixo Lanny Davis. O problema para Trump é que, alén das súas manobras para tapar un escándalo sexual, Cohen estaría disposto a prestar testemuño perante Robert Muellen sobre as interferencias rusas na campaña de 2016. A presión sobre o presidente dos EUA intensifícase, pois, a poucos meses das decisivas eleccións de novembro á Cámara de Representantes. Se nelas o Partido Demócrata consegue a maioría, estarían dadas as condicións para se abrir un proceso de impeachment (destitución) do presidente, acusado no mínimo dun cargo de financiación ilegal da campaña (un delito federal). Nese sentido, a líder da minoría demócrata no Congreso, Nancy Pelosi, declarou esta terza feira que vía Trump nun "grave risco" legal.
NOS_33572
A orixe estivo en dous focos simultáneos en San mamede de Hedrada, no concello de Vilariño de Conso
O Parque Natural do Invernadeiro rexistou esta cuarta feira o primeiro incendio importante da tempada, dous focos a menos de 500 metros un de outro e que calcinaron por volta de 70 hectáreas nesta área protexida do Macizo Central ourensán. O primeiro lume arrasou 54 hectáreas e o segundo unhas 12. Os incendios –cuxa orixe se atribúe a lóstregos dunha tormenta- tiveron lugar nunha zona abrupta e de difícil acceso, de aí as dificultades para combatilos. Tomaron parte 13 brigadas, motobombas e tamén medios aéreos, helicópteros e avións que tomaban a auga do encoro das Portas, en Vilariño. As tarefas de combate contra o incendio esténdese esta quinta feira. Os incendios non son algo descoñecido no Invernadeiro, unha zona de alto valor ambiental e que nos últimos anos rexistrou diversos lumes. Son case 6.000 hectáreas situadas no Macizo Central ourensán, esténdese a través de verdes montañas ou de abruptas paisaxes rochosas. Ten unha fauna importante, como o lobo, do xabaril, cervos, corzos e cabras bravas.
NOS_55045
O local que A Revira ten en Pontevedra amenceu esta fin de semana con pintadas en que se podía ler "Galicia es España".
A voz de alarma deuna a veciñanza do casco vello de Pontevedra que alertou ao Centro social das pintadas que un grupo de neo-nazis estaban a facer na fachada do local. Con spray de cor laranxa un grupo de mozos de estética neo-fascista tinguiu o cartaz que sinala a entrada á Revira ao tempo que colaron auto-colantes propagandísticos nas fiestras do centro. Neste senso, as pareces do centro social ficaron cubertas de lemas en que se podía ler "Galicia es España" e "fuera separatistas". Segundo indican desde A Revira esta non é a primeira ocasión en que o local social é obxecto deste tipo de agresións mais si o son, denuncian, as desenvolvidas na morada dunha das súas militantes, agredida co mesmo material e simboloxía que o centro social. Desde a A Revira aseguran que seguirán a desenvolver o seu traballo malia os ataques sufridos para "contribuír", din, "desde a comarca" ao "proceso de construción nacional de Galiza" e a prol do medio ambiente, os dereitos das mulleres e os valores solidarios e internacionalistas.
NOS_9060
"A fluidez e a solvencia na lingua meta" e "o esforzo de reflectir o estilo arcaizante da lingua orixinal" de Fosca (1869), de Iginio Ugo Tarchetti, valéronlle a Isabel Soto (Vigo, 1969) o premio Plácido Castro de Tradución. Crítica coa histórica ausencia de "planificación seria" no sector, alerta das condicións laborais das tradutoras e reclama un maior coidado do galego.
-Por que traducir unha obra como Fosca? -Foi unha decisión tomada entre o editor e mais eu. A editorial busca obras interesantes e combina libros con dereitos e sen dereitos de autor. Fosca é unha obra do século XIX, representante dun intre singular da literatura italiana, a Scapigliatura, que é a bohemia da época. A novela atópase a medio camiño entre o romanticismo e o decadentismo. -Cal foi a principal dificultade de pasar a escrita de Iginio Ugo Tarchetti ao galego? -Manter o ton romántico, de misterio, da paisaxe tétrica, da novela. Reproducir esa atmosfera foi o máis complicado. -Que importancia ten a tradución para unha literatura como a galega? -Para min é fundamental. Unha literatura moderna debe dispor das principais obras literarias na súa lingua. -Non parece o caso. Nunca existiu a tradución sistemática do canon clásico da literatura universal. -Falta, si. Hai moitos baleiros e moitos ocos. Nunca se fixo unha política seria de tradución. Nas asociacións de tradutores hai listaxes de obras sen traducir e percíbese esa realidade. É unha oportunidade editorial, iso si. -En que consiste, ao seu ver, esa "política seria de tradución"? -En primeiro lugar, en facer unha revisión exhaustiva e seria das obras fundamentais da literatura universal e promover despois a súa tradución. É que, por exemplo, A montaña máxica de Thomas Mann está sen traducir. E como esa, moitas outras. -Como cualifica o estado da tradución literaria ao galego? -Como en todos os traballos, as condicións laborais son un pouco lamentábeis. Trabállase con prazos moi curtos. As tarifas son diferentes para encargos semellantes. Para te manter como tradutora tes que ter unha continuidade moi forte. Hai editoras que funcionan axeitadamente, pero outras tardan en pagar. Hai unha serie de prácticas que dificultan o noso labor. -E a Facultade de Tradución e Intepretación de Vigo non supuxo unha elevación do nivel? -Supuxo un avance importante, si. Pero eu sigo a botar en falta un maior coidado pola lingua meta, neste caso o galego. A xente sabe linguas, preocúpase por saber moito inglés, por exemplo, pero non polo galego. Como a sociedade en xeral, por outra banda. -Hai algunha tradución histórica que lle pareza importante? -Talvez a tradución do Quixote ao galego, feito por un equipo [conformado por Valentín Arias, Xela Arias, María Xesús Senín, María Xosefa Senín, Xosé Antón Palacio Sánchez e Xavier Senín. Publicouse en 1990]. -E cómpre traducir do castelán? -Pódese discutir. O certo é que o Quixote está traducido a case todas as linguas do mundo. Pero esa tradución lémbroa desafiante. -Que está a traducir agora? -Vaise publicar a tradución de Astérix en Italia, a nova banda deseñada dos galos. Fíxena canda Xavier Senín. E estamos preparando outra dun título antigo que aínda non estaba en galego.
NOS_42327
Reimundo Patiño xogou un papel sobranceiro no desenvolvemento da arte galega desde Madrid e en estreito contacto coa cultura galega do interior e do exilio -foi amigo de Luís Seoane e participou na fundación da Unión do Povo Galego.
Por mor do Día da Ilustración, a biblioteca do Gaiás ofrece unha mostra en homenaxe a Reimundo Patiño (1936-1985) que percorre as facetas do artista, con especial fincapé na banda deseñada, onde é considerado un dos pioneiros en Galiza. A exposición, que conta con ao redor de 40 pezas, está articulada en seis seccións, enfocadas no traballo do artista no ámbito da ilustración, da pintura, da literatura e da banda deseñada. Reimundo Patiño. O desacougo creador / Local: Biblioteca de Galicia, Cidade da Cultura / Santiago de Compostela / Até o 10 de maio Reimundo Patiño xogou un papel sobranceiro no desenvolvemento da arte galega desde Madrid e en estreito contacto coa cultura galega do interior e do exilio -foi amigo de Luís Seoane e participou na fundación da Unión do Povo Galego-. Desenvolveu unha obra que conxuga o expresionismo abstracto coa forte preocupación pola tradición formal e temática galega, e que serviu de enlace entre a plástica da súa xeración e as grandes figuras do exilio. Foi un dos creadores d'A Gadaña, que xorde a finais dos cincuenta e primeiros sesenta como sección plástica do colectivo literario Brais Pinto, defensor dunha renovación da narrativa e poesía galegas en chave nomeadamente experimentalista, comprometida co nacionalismo galego, con posicións claramente esquerdistas. A Gadaña, que se presentou ao público nunha mostra en Lugo en 1961, tivo a virtude de favorecer o debate artístico en Galiza ao defender o informalismo fronte a posicións conservadoras dentro do mundo cultural galego. A obra de Reimundo Patiño desde os cincuenta e até ao redor de 1965 móvese nuns postulados ben achegados á action painting, pretende "expresar" máis que "representar" no sentido de ser unha pintura se estende como unha descarga. O pintor é un creador que deliberadamente renuncia ao pouso intelectual da pintura. O fluír de fíos e manchas non é puramente casual e desordenado, o pintor escolle cores, cantidades e dirixe o xesto, de aí o cualificativo de xestual para este tipo de pintura. O resultado, produto dunha intensa pulsión, era a acción, o auténtico real na obra, a danza frenética da mancha, que evoca formas primixenias ligadas á nosa tradición, como a espiral de ecos prehistóricos. Patiño, por tanto, recolle a memoria identitaria para reelaborala desde un intenso pulo expresionista. A partir de 1965 e até comezos dos setenta, insire elementos tirados da banda deseñada e do grafitti, con forte contido social, como se pode ver nos traballos ligados a Estampa Popular Galega. Esta ligazón coa banda deseñada vai levalo a realizar obras como o mural serigráfico O home que falaba vegliota (1972), un alegato en defensa da lingua galega perseguida brutalmente polo franquismo e condenada á extinción e obra de referencia fundamental para a historia da nosa plástica.
NOS_51988
Solicitan axudas por compensación para o sector debido a "circunstancias excepcionais" que sexan financiadas polo fondo europeo da pesca.
Armadores de Marín avisan de que a frota "terá que cesar a súa actividade" se se mantén a actual situación pola cal os operadores "deixaron de comprar" a produción, o que obriga a almacenala. De tal forma, a Organización de Produtores de Pesca do Porto e Ría de Marín (Opromar) remitiu unha serie de propostas a Bruxelas co fin de reclamar axudas en apoio a esta situación de dificultades na industria pola crise do coronavirus. Así, lamentan que o sector se atopa en "unha situación límite" ao estar suxeito a todas as medidas proteccionistas que están a ser adoptadas tanto polos propios gobernos da Unión Europea como polos países onde desenvolven a súa actividade. As medidas instauradas para evitar a propagación do COVID-19, en particular por países terceiros, impiden o movemento das tripulacións para proceder ás substitucións, así como as do persoal de mantemento dos buques e "mesmo algunhas navieiras están a reducir as súas escalas en moitos portos, o que en definitiva impide a remisión da produción aos mercados e en consecuencia o abastecemento dos mesmos". Entre outras cuestións, demandan axudas por compensación debido a "circunstancias excepcionais" que sexan financiadas polo fondo europeo da pesca (FEMP). Así mesmo, empraza a establecer subvencións ao almacenamento privado sen ningún tipo de limitación durante a vixencia da crise. Xunto a isto, os armadores de Marín requiren a posta en marcha dunha campaña dirixida aos consumidores para que "o empaquetado dos produtos pesqueiros non se asocie coa transmisión do coronavirus".
PRAZA_7067
ENTREVISTA Xabier Bruña defenderá este venres en Lugo a súa tese de doutoramento, centrada nunha "Proposta dunha metodoloxía para a participación pública nos procesos de planificación forestal". Falamos con el.
Xabier Bruña García, investigador do IDEGA, defenderá este venres en Lugo a súa tese de doutoramento, centrada nunha "Proposta dunha metodoloxía para a participación pública nos procesos de planificación forestal". O traballo, dirixido polo profesor da USC Manuel F. Marey Pérez, afonda na vantaxes e mecanismos de participación das persoas que habitan un territorio no deseño das políticas de xestión do monte e dos plans de ordenación forestal. Bruña e Marey xa afondaran nesta cuestión en traballos teóricos previos, coma os publicados na Revista Galega de Economía ou no Journal of Biogeosciences and Forestry mais esta tese de doutoramento recolle a experiencia práctica dun proceso participativo desenvolvido na área da Fonsagrada e Os Ancares. "A participación baséase na codecisión, todos debemos formar parte da decisión final. Límanse previamente as asperezas existentes e chégase a pautas de consenso" Que ventaxas ten a participación pública na planificación forestal? A participación pública leva bastante tempo empregándose en distintos tipos de planificación, sobre todo de na xestión de recursos naturais, e sobre todo en territorios con máis cultura democrática e máis cultura de participación. O que permite a participación pública na planificación é que facilita moito a execución do plan. Se ti consegues que a xente que vai ser sometida a unha planificación dos seus recursos, que vai ter que soportar un plan de xestión, participe no seu deseño, a súa aplicación vai ser moito máis sinxela e efectiva. Se ti invistes máis tempo no debate, consultándolles cales son as cuestións que máis lles preocupan, os temas que máis esperan ou desexan, isto vai ter resultados positivos, haberá máis posibilidades de que o plan sexa un éxito. As planificacións impostas acadan peores resultados que as participadas. A participación baséase na codecisión, todos debemos formar parte da decisión final. Límanse previamente as asperezas existentes e chégase a pautas de consenso. "A clave é saber onde e como colocar as cousas contando coas persoas, que sempre estiveron apartadas, sempre houbo uns gurús que sabía como facer as cousas" A metodoloxía que propós está adaptada á realidade galega. Que trazos característicos ten? Nós desenvolvemos esta metodoloxía para a área de Fonsagrada e Os Ancares. É unha zona complexa a nivel territorial e a nivel social. Esta zona, con 1.700 quilómetros cadrados, ten unha densidade de 11 habitantes por quilómetro cadrado. É un territorio eminentemente rural, cunha gran dispersión poboacional e cunha pirámide de poboación invertida. Nesta zona o 45% das persoas traballa no sector primario, polo tanto para eles o plan forestal é unha necesidade. Planificamos as xuntanzas axustándonos a esa dispersión, aínda que empregamos ferramentas dixitais tivemos en conta a importante fenda que existen nesta zona coas novas tecnoloxías. Neste senso, puxéronse carteis en todos os núcleos de poboación. Tivemos que adaptar unha serie de criterios indicadores europeos á comprensión xeral dos e das habitantes destes lugares, para que eles e elas mesmas fixeran un debuxo de como era o territorio forestal que querían ter nun escenario a quince anos vista. A compoñente territorial e a compoñente social hai que telas en conta sempre. A clave é saber onde e como colocar as cousas contando coas persoas, que sempre estiveron apartadas, sempre houbo uns gurús que sabía como facer as cousas. Non estamos aproveitando o saber das persoas que residen neses lugares, e que nos poden achegar moita máis información da que nós, dende o plano técnico, podemos ter. "Aínda que nesta zona non había experiencias previas de procesos participados, este desbordou as expectativas" Como foi a participación dos veciños e veciñas neste proceso? Hai que confiar máis nas persoas. Aínda que nesta zona non había experiencias previas de procesos participados, este desbordou as expectativas: participaron 453 persoas nos debates, seis veces máis persoas das que adoitan participar neste tipo de accións. É importante afondar neste camiño, no que ten que ser o modelo de planificación no século XXI. Inflúe neste proceso o feito de que en Galicia existan importantes comunidades de montes? Si, os procesos de participación están facilitados polo feito de que existan determinados colectivos organizados. Nos Ancares o 45% da superficie forestal está formada por montes veciñais. É máis fácil poder chegar aos propietarios e xestores destes máis de 300 montes veciñais e xerar un debate e unha participación que xa está establecida no funcionamento interno das comunidades de montes, que é asembleario e moi participativo. "Debaixo do problema do lume hai moitas cuestións que deben estar no debate. E se hai determinadas cuestións que non están funcionado, se cadra é necesario cambiar o paso" Destacas a cita de Einstein de "se buscas resultados distintos, non fagas sempre o mesmo". Conviría mudar o paso para solucionar certos aspectos negativos das políticas do monte en Galicia, coma o que atinxe aos lumes forestais? Nun congreso recente presentamos unha comunicación que propoñía apagar o lume falando coa xente e escoitando as persoas. Estamos vendo que a dinámica de gastar cen millóns de euros en extinción non funciona. Algo temos que facer, hai que probar outros métodos. A problemática dos lumes solucionaríase en parte a través de procesos nos que houbese canles de participación, nos que se sacasen á luz cales son os problemas que existen na zona. Debaixo do problema do lume hai moitas cuestións que deben estar no debate. E se hai determinadas cuestións que non están funcionado, se cadra é necesario cambiar o paso. E cambiar o paso confiando máis nas persoas que están sobre un territorio. Nos anos 40 o Estado decidiu que había que repoboar masivamente con piñeiro para abastecer a industria. E non se lles preguntou ás persoas que alí vivían e que xa tiñan a súa propia forma de aproveitar os recursos naturais. E hoxe seguimos con planificacións que se fan dende un despacho e que non teñen en conta nin a realidade nin os desexos das persoas. Na elaboración do plan forestal de Os Ancares, preguntámoslles aos veciños se querían ter máis superficie forestal. E a opinión maioritaria era que non, o que contradicía a política da administración. "O papel da administración debería ser o de mediador, debería ter un papel de escoita activa: saber o que pasa no territorio para poder poñer os medios para solucionar os problemas" A solución pasa, sobre todo, por escoitar? Ás veces as solucións non pasan por grandes investimentos, senón por saber aproveitar o que temos. E temos un capital humano moi importante. Semella que existen posicións inmobilistas ás que lles asusta dar voz aos verdadeiros actores e actrices do territorio. O papel da administración debería ser o de mediador, debería ter un papel de escoita activa: saber o que pasa no territorio para poder poñer os medios para solucionar os problemas. Noutros lugares as decisións tómanse doutra maneira, dende visións colaborativas, entendendo que a xestión do territorio é unha suma de esforzos. Non entender isto é unha perda dunha oportunidade para o sector do monte, unha perda dunha oportunidade para o rural e para a sociedade no seu conxunto. Esta zona perdeu en 50 anos o 61% da súa poboación e a perspectiva é que en dúas décadas quede reducida á metade.
QUEPASA_231
O PSOE aproveita para lamentar o "nepotismo"
Novo caso de posible corrupción no seo do PP, segundo denunciaba onte o sindicato CSIF. Neste caso, protagonizado polo ex alcalde de Fisterra (2002-2015), Josñe Manuel Traba, nomeado recentemente "asesor" na Axencia Galega de Dsenvolvemento rural (AGADER). O sindicato denuncia o nomeamento a dedo do Conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez, o segundo destas características en apenas dúas semanas, tras facer o propio co alcalde popular do Barco de Valdeorras. Dende o CSIF xa comparan "AGADER como a Oficina Pública de Emprego do PP", e critican o "nepotismo administrativo" do grupo popular. Consideran que o nomeamento "vulnera a Lei do emprego público de Galicia", pois sinala que "os asesores non poden realizar actividades de ordinarias de xestión" e que "as entidades públicas instrumentales do sector público autonómico non poden nomear persoal eventual", pero o ex alcalde de Fisterra xa figura como asesor no directorio telefónico de AGADER, incluído no gabinete da Directora Xeral, Inés Saté Riveira, na Área económico-financeira, "onde todos os procedementos que se levan a cabo, así como a actividade administrativa que se desenvolve corresponde a funcións propias de empregados públicos". O CSIF lamenta ademais "o escurantismo sobre as retribucións do novo asesor, a pesar de que as leis autonómicas establecen a obrigatoriedade de dar publicidade ás retribucións de todos os asesores. O sindicato lembra que a súa experiencia profesional, á marxe da política, se reduce á impartición duns cursos na confraría fisterrá, e na súa labor docente nun centro privado da vila do Cristo; así como a cantidade de "denuncias formuladas contra el pola Xunta de Galicia", en materia urbanísitca, ou de suposta prevaricaciónm, como foi o caso en 2015, da temeraria adxudicación do Semáforo que lle costou a alcaldía. O PSOE critica o novo caso de nepotismo da Consellería de Medio Rural Gonzalo Caballero e Martín Seco co alcalde de Fisterra O portavoz de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, anunciou hoxe unha ofensiva parlamentaria para que a Xunta dea conta do novo caso de nepotismo da Consellería de Medio Rural utilizando de novo o Agader como un "chiringuito para colocar aos seus compañeiros". Ademais, apunta que este nomeamento como asesor, ademais dunha práctica politicamente deleznable, resulta que legalmente "non está permitida", por canto as entidades públicas instrumentais non poden dispor de persoal eventual, segundo a Lei de Emprego Público. Así o dixo logo de realizar, onte, unha visita ao alcalde de Fisterra, o socialista José Marcote, na que "constatamos que algúns se dedican a traballar por Fisterra e os seus cidadáns e outros tan só queren vivir da política".
NOS_5587
Centos de persoas procedentes da Mariña, nunha xornada marcada pola folga na factoría de San Cibrao, maniféstanse ante a sede central da Xunta, en San Caetano (Compostela).
"Enerxía, solución", "A solución, a intervención" ou "Feixoo c...., apoia a intervención". Tres dos lemas que ao longo da mañá desta cuarta feira se corearon con insistencia e gañas fronte a San Caetano, en Compostela, cuartel xeral do Goberno galego. Centos de persoas procedentes da Mariña, traballadores de Alcoa e veciñanza, se desprazaron até a capital galega para defender o emprego nesta comarca do norte galego. Fixérono nunha xornada marcada polo seguimento total da folga convocada na planta de San Cibrao. "Seguimento total", en palabras do propio comité, nas fábricas de aluminio e alúmina, así como das auxiliares. "Sabemos que nos están apoiando os comercios e autónomos e os empresarios da Mariña, incluídos os concellos Xove, Cervo e Viveiro que tamén puxeron día de folga para hoxe", apuntaba José A. Zan, presidente do comité. A xornada comezara na noite desta terza feira, coa queima do panel de entrada á factoría e con barricadas. Traballadores tamén cortaron as vías do tren. Xa en Compostela, fronte á valla de San Caetano, faixas que reiteraban as mensaxes que ao longo destas semanas, desde que Alcoa anunciou a súa intención de despedir 534 traballadores, presidiron as mobilizacións: "Alcoa non se fecha", "Sen industria non hai futuro", "RIP A Mariña", "Nacionalización", "A Mariña sálvase loitando"... Durante a protesta, guindáronse ovos e pintura contra a valla de entrada da sede da Xunta. Tamén se lle prendeu lume a varios bonecos. Entre as faixas, bandeiras galegas nas súas diferentes variedades: desde as do 'cáliz' até as da estrela vermella no medio da franxa celeste, pasando tamén polas que levan o escudo deseñado por Castelao. Apoiando os traballadores, candidatos como Ana Pontón e Olla Rodil (BNG) ou Luca Chao (Galicia en Común). Tamén estaban presentes, se ben con outra finalidade, varias dotacións de antidisturbios. "A solución, unha intervención". É o berro que os traballadores e traballadoras da fábrica de #AlcoaNonSePecha e centos de mariñaos e mariñás fan resoar ás portas da Xunta en Santiago. Hoxe o 100% do persoal da factoría de San Cibrao está secundando unha xornada de folga. pic.twitter.com/fe8xSfXAGb— CIG (@galizaCIG) July 1, 2020
NOS_8286
A literatura será a grande protagonista durante toda a fin de semana en Pontevedra, na primeira Festa dos Libros da cidade. Mais a cousa non fica aí. Haivos máis ofertas para o lecer nestes días. Botádelle un ollo e que vos preste!
Sábado Como cho conto Boqueixón Pico Sacro 21.30h Cándido Pazó presenta "Como cho conto", un espectáculo de narración oral da compañía Contraproducións. Domingo Romaria Pequeninha Narón Lugar de Trasancos 12.30h Durante toda a xornada e para todas as idades, esta romaría pequeninha. Pola mañá haberá teatro de marionetas trécola, obradoiro de bolas de xabón xigantes e xogos infantís; música con Aturuxo de Melpómene e Leandro Lamas; e un xantar popular. Pola tarde, xogos populares, a Tropa de Trapo e Circus Magnificus para fechar por todo o alto. Inmedioteces Barreiros Centro Sociocultural M. Díaz Sampedro 19.00h Espectáculo de improvisación teatral para público familiar, a cargo de Dínamo Teatro, en que se crean escenas cómicas a partir das ideas que o público vai propoñendo. Ceumar: xira galega Vilar de Santos Arca da Noe 20.30h Ceumar Coelho, cantora brasileira, está de volta na Galiza, con toda a súa musicalidade e a súa voz envolvente. Ecobueu Bueu. O Concello de Bueu acolle o mercado ecolóxico que celebra xa a súa novena edición cunha aposta decidida polos produtos ecolóxicos, naturais e artesanais. Toda a finde Festa dos Libros Pontevedra Praza da Ferraía Libros, contacontos, concertos, obradoiros, sinaturas, charlas, recitais… Un novo punto de encontro entre escritores, libreiros e amantes da lectura: velada literaria, vermú poético, encontros, paseo pola Pontevedra literaria ou diversos talleres para as crianzas. E aínda máis, concertos de Furious Monkey House, o Seminario Permanente de Jazz e o dúo Primordiais Caruncho, sempre Pontevedra Sexto Edificio do Museo Até o 8 de xullo de 2017 Exposición do artista galego recentemente falecido, unha homenaxe que se centra nas ideas clave da súa traxectoria artística ao tempo que se inclúen obras menos coñecidas.
NOS_45352
Os conservadores convértense na primeira forza do Concello córnico, desbancando os liberais-demócratas, que gobernaban en coligazón dos independentes.
As eleccións ao Consello de Cornualles (Kernow), país que fai parte do Reino Unido e que Londres recoñeceu en 2014 como 'minoría nacional', deixan un importante cambio de escenario a respecto dos comicios de hai catro anos: os liberal-demócratas perden a súa condición de primeira forza na asemblea e os conservadores pasan de terceira a primeira forza, atinxindo 46 representantes, 15 máis que en 2013. O Mebyon Kernow (Fillos de Cornualles) mantén os seus catro representantes no Consello. Esta formación nacionalista e de centro-esquerda defende o autogoberno para o seu país no camiño de se ir dotando de maior soberanía. Con 3.500 quilómetros cadrados e 500.000 habitantes, este país celta ten actualmente un estatus moi limitado e restrinxido en canto a autogoberno se refire. "Non é que Cornualles pasase formar parte de Inglaterra. É que os ingleses van esquecer que non formabamos parte do seu país", lamentan os nacionalistas córnicos. Unha campaña impulsada hai dous anos para recoller sinaturas solicitando o autogoberno logrou máis de 50.000 apoios. Apenas 400 persoas falan con fluidez o idioma propio do país, córnico, se ben se calcula que por volta de 5.000 poden manter unha conversa 'básica'. Os Laboristas obtiveron 5 escanos, tres menos que hai catro anos. O Consello está composto por 123 representantes, estando a maioría absoluta en 62. Os 42 postos acadados polos conservadores non abondan para acadala, o que si logran liberais demócratas e independentes (67).
NOS_3000
Entre 2010 e 2016 perdeuse en Galiza máis dun 6% do emprego público. Área pública da CIG convoca concentracións diante do Parlamento na defensa dos servizos públicos e a recuperación de dereitos laborais e salariais.
Os orzamentos presentados polo goberno de Núñez Feijóo non serven para atallar a "precariedade" nas administracións nin garantir servizos públicos de calidade. Así o denuncia a Área pública do sindicato CIG, que convoca mobilizacións diante do Parlamento Galego o 25 de xaneiro e o 6 de febreiro, en defensa duns servizos públicos e de calidade e para demandar a recuperación dos dereitos laborais e salariais "roubados nos últimos anos". Maricarme López Santamariña, voceira da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) lembra que "a taxa de temporalidade xa acada nalgúns servizos o 20%, co agravante de que entre os anos 2010 e 2016, en Galiza, perdeuse máis dun 6% de emprego público". Parte da causa desta temporalidade e da precariedade é debida á taxa de reposición de efectivos. No período 2010-2015 a porcentaxe de reposición foi do 0%, agás para os servizos esenciais nos que, entre 2011 e 2014, estivo fixada nun exiguo 10%. "Isto significou a perda de máis de 4.000 empregos públicos e un incremento da temporalidade: neste intre contabilízanse nos distintos servizos das administracións máis de 5.000 traballadores e traballadoras con contratos temporais, de relevo, por días, horas, etc". O Conselleiro de Facenda anunciou no Parlamento estes días como unha das medidas estrelas dos orzamentos a convocatoria de 3.000 empregos públicos. "Tendo en conta os datos anteriores, esa oferta de emprego que anuncian non é máis que un apósito cativo para a sangría que está sufrindo a administración", asevera.
PRAZA_15479
Precarios-Galicia convoca unha concentración contra os recortes en I+D+i e para realizar un chamamento á sociedade "en favor da ciencia en Galicia" e en contra da "actual fuga de cerebros que está sufrindo o noso país". Terá lugar este mércores na praza do Obradoiro de Santiago.
Este mércores 19 os principais centros universitarios de España vivirán mobilizacións dos investigadores, docentes universitarios e estudantes de terceiro ciclo. Protestan contra os recortes en I+D+i e buscan realizar un chamamento á sociedade "en favor da ciencia en Galicia" e en contra da "actual fuga de cerebros que está sufrindo o noso país" xunto cos avances científicos e tecnolóxicos que se están a perder. A concentración terá lugar na Praza do Obradoiro de Santiago a partir da unha e media do mediodía. Os organizadores tamén animan a todos aqueles que non se poidan desprazar ata a Praza do Obradoiro, que se concentren uns minutos diante do seu centro de investigación e que se poden remitan unha imaxe ao enderezo [email protected]. Protestan contra os recortes en I+D+i e buscan realizar un chamamento á sociedade "en favor da ciencia en Galicia" e en contra da "actual fuga de cerebros que está sufrindo o noso país" xunto cos avances científicos e tecnolóxicos que se están a perder A concentración rematará coa lectura en voz alta do manifesto firmado polos integrantes do movemento Carta por la ciencia. Denúnciase que "o actual goberno está empeñado en reducir a achega pública en I+D+i conducindo ao colapso o noso actual sistema de ciencia e tecnología" e salienta que o financiamento público da I+D+i acumulou un recorte dun 31% nos dous últimos anos. En 2011 o gasto español en I+D+i caeu até o 1,33% del PIB (en 2010 foi dun 1,39%) rompendo a trayectoria ascendente das últimas décadas e afastando España da media da UE, situada no 2%. Nos últimos meses son moitas as malas novas para a investigación que foron chegando, dende a prohibición de que as universidades convoquen novas prazas doecentes até os recortes nas bolsas FPI e FPU e nos programas Ramón y Cajal e Juan de la Cierva. Conclúen que de non mudar esta política, "o dano ao noso sistema público de I+D+i será irreparable: destruindo o construido en decenios de esforzos, deixando sen traballo e sen espectativas profesionais a milleiros de novos investigadores e tecnólogos e afectando seriamente o devir da economía española, porque o noso futuro, o progreso e o benestar da cidadanía, se basea na I+D+i tal e como ocorre no conxunto de Europa". Andrés Pérez, voceiro de Precarios-Galicia, afirma que "a maior parte da xente ao ver que non van sair prazas está pensando nun plan b, en marchar fóra" e acha un obstáculo engadido na dificultade de que a sociedade entenda e valore cal é a funcións dos investigadores A situación en Galicia, moi de actualidade por exemplo pola suspensión na USC da meirande parte das prazas docentes convocadas no verán e o anuncio de que as futuras convocatorias terán que ser aceptadas pola Xunta, leva a Andrés Pérez, voceiro de Precarios-Galicia, ao pesimismo. Afirma que "a maior parte da xente ao ver que non van sair prazas está pensando nun plan b, en marchar fóra" e acha un obstáculo engadido na dificultade de que a sociedade entenda e valore cal é a funcións dos investigadores. Tamén lembra que o I+D+i funciona como unha máquina que leva moitos anos e esforzos botar a andar e que se se para despois é complicado poñela de novo a camiñar. Alerta neste senso de que os recortes no investimento nesta materia poden ter un impacto que se notará durante moitos anos. Os investigadores galegos tamén se ven afectados por exemplo pola supresión da paga extra aos traballadores públicos, malia non seren funcionarios, e a pesar de que este recorte non supón aforro ningún para a administración, no caso por exemplo dos programas financiados con fondos europeos. Análise do borrador da estratexia española de ciencia, tecnoloxia e innovación (.pdf)
NOS_2039
O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, reclamou a retirada da LOMCE na súa intervención na Comisión de Educación do Congreso dos Deputados por ser "letal para o ensino público galego".
Anxo Louzao expuxo na Comisión de Educación do Congreso, na que compareceu por convite do BNG, as razóns polas que tanto a CIG-Ensino como a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público rexeitan a totalidade dun proxecto que denunciou como centralista, antisocial e promotor das desigualdades e a segregación nas aulas. Defendeu Louzao que detrás do proxecto educativo atópase como obxectivo central a promoción da ideoloxía neoliberal que conduce a unha maior privatización e mercantilización da Educación. Ao seu ver, a lei "centraliza e uniformiza o sistema educativo, rexeitando a conformación plurinacional, pluricultural e plurilingüística do Estado español" reforzando tamén a confesionalidade do ensino. "Cuestiona o dereito universal á educación, descarta a igualdade de oportunidades, fortalece o papel españolizador, destrúe a diversidade cultural e nega o dereito a ter un ensino científico e laico" sinalou Louzao na súa intervención arredor dunha lei que "invade competencias educativas de Galiza" entre outras cousas, á hora de asumir as atribucións para fixar os currículos de materias troncais. Na quenda de preguntas, Louzao respondeu a máis de corenta intervención, entre elas as cuestións do BNG e CIU sobre a presenza do galego no ensino ao que o máximo responsábel da CIG-Ensino denunciou en especial a situación en Educación Infantil, onde o ensino en galego non acada o 5% nos centros das cidades, segundo sinalou. Criticou tamén o decreto polo que o PP prohibiu impartir materias como matemáticas, física e química ou tecnoloxía en galego cando si se poden dar en inglés, anulado polo TSXG, como explicou á deputada do PP. Segundo Louzao, a lei educativa pretendería dar "carta de legalidade ao que foi declarado ilegal polos tribunais", en referencia tanto á regulamentación do idioma como á segregación por sexos do alumnado.
PRAZA_803
A Casa da Cultura da localidade acollerá este sábado un completo programa de actos con motivo do Ano Lois Pereiro. O poeta daralle nome, ademais, á propia Casa da Cultura e á Biblioteca Municipal e será protagonista de actividades nos centros de ensino
"A corporación decidiu dedicarlle a Casa da Cultura e a Biblioteca municipal á persoa do mundo das letras e da literatura que máis pode honrar a Monforte". As concelleiras Pilar López e María Xosé Vega presentaron os actos que este sábado se levarán a cabo na vila en homenaxe ao poeta e con motivo do Ano Lois Pereiro. Pereiro daralle nome, ademais, á propia Casa da Cultura e á Biblioteca Municipal e será protagonista de actividades nos centros de ensino. A decisión fora adoptada polo Pleno municipal o pasado mes de xaneiro, a pesar das críticas do PP, que propoñía un recoñecemento ao Conde de Lemos e que abstivo sinalando que a homenaxe ao poeta non era "unha cuestión pacífica". María Xosé Vega destacou que Pereiro "sempre foi un monfortino de nacemento e de vida, foi unha persoa que sempre tivo a Monforte no seu corazón e na súa alma e parte da súa obra literaria non se explicaría se non houbese unha profunda pegada de Monforte na súa vida". Ademais, subliñou que "é un escritor singular, que rompeu moldes aínda sendo un escritor clásico; foi quen de facer unha poesía moi vangardista. Podemos sentirnos orgullosos como cidade da súa calidade literaria". Pola súa banda, Pilar López dixo que con estes recoñecementos "queremos que Lois Pereiro continúe vivo entre nós e que os máis mozos coñezan e descubran a súa importante figura". Pereiro "sempre foi un monfortino de nacemento e de vida, foi unha persoa que sempre tivo a Monforte no seu corazón e na súa alma e parte da súa obra literaria non se explicaría se non houbese unha profunda pegada de Monforte na súa vida" Os actos deste sábado, abertos á participación da cidadanía, comezarán ás 11:45 coa recepción á familia de Lois Pereiro, e ás autoridades e convidados e convidadas. Ás 12 terá lugar o acto de nomeamento da Casa da Cultura de Monforte de Lemos como Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro e da Biblioteca Pública Municipal como Biblioteca Pública Poeta Lois Pereiro. Ás 12:15 abrirase a Biblioteca e realizarase o selado de diferentes libros co novo selo coa imaxe do poeta. A partir das 12:30 no salón de actos da Casa da Cultura, desenvolverase un acto aberto ao público no que participarán varios autores pertencentes á Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG). Este acto comezará co saúdo do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e continuará coa lectura de textos de Lois Pereiro por parte de Rosalía Fernández Rial, Manuel Rivas, Xurxo Souto, Antón Lopo, Mario Regueira, Iago Martínez ou Mercedes Queixas. A xornada conmemorativa rematará ás 21 horas cun concerto na Praza de España a cargo dos grupos Vera Lynn e Os Tres Trebóns. Ao longo de 2015 desenvolveranse varios actos sobre a figura de Lois Pereiro Ademais das actividades programadas para este sábado, ao longo de 2015 desenvolveranse varios actos sobre a figura de Lois Pereiro. O primeiro deles levarase a cabo este xoves día 9 de abril e terá coma escenario os tres IES da cidade. García, integrante do grupo Dios ke te crew, e o cantautor punk Leo, ofreceranlle ao estudantado de bacharelato unha charla-actuación para divulgar e motivar a mocidade na participación dos actos do sábado día 11.
NOS_1295
A galega sacou en Verducido o billete para Toquio
A padexeira galega Teresa Portela impúxose na xornada de onte no selectivo estatal na categoría de K1 200 metros, que se disputou no encoro de Pontillón do Castro de Verducido (Pontevedra), logrando así a súa praza para os Xogos Olímpicos de Toquio 2021 e, ao mesmo tempo, tornando en lenda vivente do deporte por ser a deportista con máis participacións olímpicas en toda a historia do Estado español. Portela gañara inicialmente o seu dereito a estar en Toquio hai máis de ano e medio, concretamente no Mundial de Hungría, onde obtivo a medalla de bronce, pero a pesar diso a Federación Española fíxolle participar neste selectivo, no que se impuxo con solvencia na final cun tempo de 42.292 segundos. Tras ela finalizaron a asturiana Sara Ouzande, defendendo as cores do equipo galego Kaiak Tudense, cunha marca de 42.629 segundos; a castelán-leonesa Mirella Vázquez (Fresno Ribera), con 43.972; a tamén galega Lara Feijóo (Kaiak Tudense), con 44.17; a madrileña Elisa Zapata (Aranxuez), con 44.386; e a estremeña Teresa Tirado (Iuxtanam Mérida), con 45.882 segundos. Desta modo, Portela, que celebrará o seu 39 aniversario o próximo mes de maio, participará na súa sexta edición dos Xogos. Desde o seu debut en Sydney 2000, con 18 anos, foi quinta en Atenas 2004 e Pequín 2008, quedando ás portas do podio en Londres 2012 -cuarta- e sendo sexta en Río 2016. Xa que logo, a de Cangas, gañadora de 15 medallas en Mundiais e 17 en Europeos, converterase na deportista do conxunto do Estado con máis participacións nos Xogos Olímpicos, superando as cinco de Arantxa Sánchez Vicario, María José Rienda e María Peláez, e igualando as dos homes Manel Estiarte e Luís Álvarez Cervera. Toca pensar en Toquio "Estou moi contenta de gañar este selectivo, que me dá a praza para poder participar nos Xogos Olímpicos de Toquio. É un día moi especial para min porque, unha vez que a conseguira no Mundial de 2019, sabía que podía soñar con participar nos meus sextos Xogos, e hoxe iso é unha realidade", sinalou tras lograr o obxectivo. "Síntome moi agradecida por todas estas mostras de agarimo que me están chegando", engadiu a canguesa, quen lembrou que "xa toca pensar en Toquio porque non queda nada". A noticia da súa fazaña levantou admiración e axiña comezou a recibir felicitacións como as do secretario xeral para o Deporte, Lete Lasa, que se congratulou dun "día histórico para Galiza, porque Teresa Portela vén de escribir unha das páxinas máis brillantes do deporte". Campionato Galego en Castrelo de Miño Sen deixar o piragüismo, o encoro de Castrelo de Miño acolle no día de hoxe o Campionato Galego de embarcacións dobres, onde participarán 448 deportistas pertencentes a 40 equipos. A competición, que comezará ás 10.30 horas, destinarase ás diferentes categorías de Veteranos e Veteranas, Senior e Xuvenís, puntuábeis para as clasificacións por equipos de mulleres e homes, e ten previsto estenderse até aproximadamente as 13.45 horas. Os equipos con máis participantes nesta nova edición son o e EP Cidade de Pontevedra con 32, Naval de Pontevedra con 30, e xa despois séguenlle varios conxuntos con 22 deportistas para completar así unha elevada inscrición.
NOS_14613
Marcelo Rebelo, candidato da direita, obteria mais do 50% dos votos nas eleições do 24 de Janeiro. Muito por cima dos apoios que iriam arrecadar Sampaio de Nóvoa e María de Belem, de esquerdas, que não passam do 17%.
Portugal tem uma nova cita com as urnas, desta vez o 24 de Janeiro e para eleger o presidente da República que irá substituir no cargo Cavaco Silva, com dois mandatos no posto, o máximo permitido pela Constituição lusa. A campanha eleitoral começou o passado dia 10 e vai decorrer até o 22. As sondagens prognosticam uma vitória clara do candidato da direita, Marcelo Rebelo, com uma diferença tão abastada sobre os seus adversários que não faria falta ir a uma segunda volta -prevista para o 14 de Fevereiro-. Os inquéritos assinalam que Rebelo (ex-presidente do PSD, de centro-direita, e conhecido comentador político na TV lusa) obteria entre o 52 e o 62% dos votos. Seria inalcançável para os seus rivais. Sampaio de Nóvoa, independente de esquerda que tem recebido o apoio para a sua candidatura de diferentes partidos e colectivos progressistas, estaria entre o 15 e o 17% dos votos. O ex-reitor da Universidade de Lisboa foi dos primeiros em se candidatar para as presidenciais. Pelo centro-esquerda compete Maria de Belem, jurista, ex-ministra e antiga presidenta do Partido Socialista. As sondagens apenas lhe outorgam entre o 10 e o 17%, a disputar a segunda praça com Sampaio. Sem qualquer opções e com percentagens muito pequenas, sempre segundo sondagens e inquéritos (feitos por Aximage, Eursondagem, Universidade Católica e Intercampus), ficam as candidatas de Bloco de Esquerdas e do Partido Comunista. Marisa Matias (Bloco) tinha quase um 7% de expectativa de voto em Novembro, enquanto que os últimos inquéritos lhe concederiam por volta de um 3%. Edgar Silva (PCP) não ultrapassaria o limiar do 5% dos apoios nas urnas.
NOS_22532
A moratoria para novas plantacións estenderase até finais de 2025. Porén, a Xunta concede 30 días máis para cultivar máis eucalipto, malia as advertencias de descontrol da especie.
O Diario Oficial da Galiza publica esta sexta feira, 21 de maio, a Lei de recuperación da terra agraria que inclúe unha disposición transitoria pola cal o 3 de xullo entrará en vigor a moratoria para novas plantacións de eucaliptos ata finais de 2025, que si permite repoboacións en terreos con presenza desta especie. Desta forma, durante os próximos 30 días aínda se poderán facer novas plantacións de eucalipto na Galiza, nun contexto no que aumentaron as cortas de piñeiro co fin de substituílos por esta especie, ao tempo que se confirma a escaseza da planta nos viveiros. Todo iso, mentres a Xunta advirte que estará "vixiante" ante posíbeis incumprimentos como reforestacións en terra agraria. Pola súa banda, o conselleiro de Medio Rural, José González, destacou que esta lei, que entrará en vigor este sábado, persegue poñer a producir terras abandonadas e infrautilizadas, así como achegar base territorial suficiente a explotacións. Durante os próximos 30 días aínda se poderán facer novas plantacións de eucalipto na Galiza Nunha xornada formativa sobre esta norma, que tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública, González defendeu que a lei facilitará superficie a quen a queira traballar con seguridade xurídica e rendibilidade. O PPdeG quedou só na aprobación desta lei no Parlamento, un texto que foi rexeitado polo BNG e que contou coa abstención do PSdeG. A pesar diso, o conselleiro valorou o "alto grao de consenso" alcanzado ao incluír máis de 250 emendas na súa tramitación. Novidades Entre outras novidades, o conselleiro destacou que a lei atribúe á Xunta a facultade de investigación en parcelas vacantes que non teñen dono coñecido, cuestión que até o de agora recaía no Estado. Ademais, esta lei será o instrumento que permita iniciar a actualización do Catastro, unha cuestión que compete integramente ao Ministerio de Facenda. Tras ese proceso de revisión, a lei estabelece que a Xunta notificará os resultados ao Ministerio para que proceda á súa actualización, unha cuestión demandada reiteradamente pola cidadanía, segundo expón a Xunta. Así mesmo, haberá 10 anos de prazo para que donos poidan reclamar terreos abandonados antes de que vaian a propiedade da Xunta -pasarán á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) con potestade para poxar, permutar ou constituír dereitos reais sobre estes terreos-. Igualmente, hai novos mecanismos que se atopan no texto como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, incentivos fiscais e o reforzo do Banco de Terras.
QUEPASA_618
En Muxía, tras 12 anos de goberno socialista, albíscanse tempos de cambio trala renuncia do aínda alcalde. Falamos dos tres candidatos ás eleccións municipais deste 26 de maio de 2019, Carlos Concheiro, candidato do BNG.
QPC: Tras 3 lexistaturas de goberno socialista, sempre subindo, esperades que chegue o momento do cambio? Os concellos onde goberna o BNG son un referente, un exemplo que vai máis aló das nosas fronteiras. E o son porque somos nacionalistas, porque temos confianza no noso país e na nosa xente e non esperamos que as solucións veñan de fóra. Traballamos para aumentar o apoio dos muxiáns e das muxiás para converter a Muxía noutro concello a imitar. QPC: En Muxía preséntanse os 3 partidos clásicos a nivel galego. Por que cres que non hai partidos independientes ou novas forzas estatais no concello? É difícil que xurdan outras alternativas porque temos unha poboación moi envellecida, porque os tres partidos están moi asentados e porque non callou ningunha das escisións do PP e do PSOE que pensaron nalgún momento presentarse. QPC: Cres que a política personalista de Félix Porto, sobre todo durante a última lexislatura, lle fará dano electoralmente ao PSOE? Non sei se a forma de designación do novo candidato foi aceptada por toda a militancia do PSOE, mais non imos entrar na situación interna doutra forza política. QPC: Que che a dedicación exclusiva que o goberno socialista lle asignou ao concelleiro e agora candidato Iago Toba? Non estamos en contra das dedicacións sempre que se creen para xestionar servizos públicos de calidade, mais non compartimos o feito de crealas cinco meses antes das eleccións co único obxectivo de liberar ao candidato do PSOE na campaña e precampaña electoral. Iso é xogar con ventaxa aproveitando os recursos que son de todos e todas. QPC: Cres que as eleccións do 28 de abril, nas que o BNG recuperou a liña ascendente tras moitos anos de retroceso, influirán nas do 26 de maio, ou cres que Xerais e Municipais non se poden relacionar porque son de naturezas diferentes? Creo que o BNG volve ser visto como a casa común do nacionalismo galego no seu conxunto e esta percepción conlevará un aumento importante do apoio que recibimos por parte da ciudadanía. QPC: Cal é o proxecto estrella do voso programa? Non cremos nos proxectos estrela que adoitan converter a política nun espectáculo. En Muxía estamos a sufrir unha brutal deforestación humana. Por cada turista que chega hai un muxián que marcha en busca de traballo e esperanza. Nós propomos mudar a actual xestión de resignación, de que isto é o que hai, por unha xestión de esperanza mediante un plan de desenvolvemento local no que o concello sexa a locomotora económica que facilite a aparición posterior de iniciativas privadas. QPC: E o resto de liñas principais? O plan do que falei na pregunta anterior baséase en cinco ideas claras: A cultura e o patrimonio, xeneradores de riqueza. Crearemos unha rede de espazos museísticos municipais que incorporen instalacións comerciais e hosteleiras que que xeneren ingresos e postos de traballo e permitan vender os nosos productos de calidade da terra e do mar, a nosa artesanía e a obra dos nosos artistas plásticos. Contar con espazos naturais protexidos é unha oportunidade, non un problema. Muxía pode ser un referente do turismo de natureza en Galiza. Subvencionaremos os gastos de limpeza e repoboación con especies autóctonas nas franxas de protección contra incendios forestais. En colaboración cos concellos da contorna, impulsaremos a creación da Reserva da Biosfera da Costa da Morte. Aposta pola formación. A mocidade ten que marchar fóra para estudar e moitos/as xa non voltan. Pediremos a colaboración dos centros educativos para conseguir a implantación de ciclos formativos de grao medio. Crearemos bolsas de traballo destinadas á xuventude para que contribúa ao desenvolvemento do seu concello. Apoio á pesca e á gandeiría. Investiremos parte dos ingresos que o concello vai recibir anualmente polo parque eólico en axudar ás pequenas explotacións gandeiras que están a vivir unha situación de emerxencia que pon en perigo a súa continuidade, subvencionando o gasto eléctrico das que compartan contador coa vivenda. O noso mar necesita proxectos innovadores que conten con impulso público. Pediremos a colaboración da universidade para buscar novos recursos e novas formas de explotar os existentes. Máis servizos públicos. Un novo local en condicións para a escola infantil e a creación dun centro de día serán prioridades dun goberno do BNG. Mas necesitamos obter solo de titularidade pública cun novo PXOM consensuado. QPC: A túa lista está formada por María Xosé Pazos, Faustino Gándara, Luis Gerpe, Germán Romero, Alexandra Pose, Jose Valencia, Martina Canosa, Benito Pose, Merce Barrientos e Francisco Javier Suárez.Cales son os puntos fortes do teu equipo? Creo que son xente traballadora e honesta que coñece a fondo os problemas dos veciños e das veciñas de Muxía. Xente que loita por manter as súas explotacións gandeiras, que tenta vivir do mar, que sufre a emigración e os traballos precarios ou que reivindica un ensino de calidade para o rural e que aínda así ten tempo para loitar por un país soñado. Os 5 primeiros da lista do BNG de Muxía
NOS_46650
A candidata a lehendakari de EH Bildu nos comicios vascos pon rumbo xa ao Parlamento. "Mais ollo! Penso estar tamén na rúa, non me vou quedar pechada alí", matiza. É o seu aniversario e non deixa de recibir felicitacións de antigas amizades e das novas que vai facendo nesta travesía. Empezamos valorando este 21-O e acabamos mirando lonxe, ao final da lexislatura, en 2016.
277.000 votos, 21 parlamentarios e, con todo, é probábel que lle tocase consolar a alguén estes días. Que lle di?Que tivemos uns resultados excelentes, que nunca houbo semellante presenza de soberanistas e de esquerdas no Parlamento Vasco, que isto nos dá unhas ferramentas inmellorábeis para facer política durante catro anos... O que pasa é que diciamos que non había que facer caso das enquisas, mais tamén había que facelo, non só dicilo. Xa quixesen moitos para si esta suposta 'derrota' e estes malos resultados. Xa os quixesen o PSOE e o PP. "A abstención é un síntoma do abismo que hai entre os dirixentes políticos e a poboación. Colócoo mesmo como un obxectivo persoal: explicar a política ás persoas de maneira que sintan que poden incidir" Que se pode facer con 21 parlamentarios nunha cámara con esa repartición de forzas?Pódese facer política. É máis, imos actuar coma se estivésemos a gobernar, porque o noso obxectivo non é facer politiquería, non é instalarnos no non. Os obxectivos que fixamos en campaña son os que queremos conseguir tamén agora, así que imos buscar acordos con todas as forzas, estean no Parlamento ou non. E temos que crear instrumentos novos que agora non existen, porque os nosos obxectivos non se poden levar a cabo coas ferramentas actuais.Fannos falta maiores cotas de soberanía, instrumentos para consultar á cidadanía dunha maneira sistemática... A miña valoración é que se nalgunhas poboacións de Gipuzkoa non houbo tan bos resultados é porque se tentaron aplicar unhas políticas novas cuns instrumentos políticos caducos, obsoletos, e aí produciuse un desaxuste.En que sentido?Cando todos estamos afeitos ao 'ordeno e mando', tentar aplicar políticas que si requiren esa participación e implicación da cidadanía produce ese desaxuste. E non estou a criticar á poboación, nin moito menos, senón que nos falta unha cultura participativa que quizais a teñamos que facer antes de aplicar esas políticas innovadoras.Falaron para as persoas, e sobre todo para as persoas que teñen problemas, propondo solucións. Pero a abstención apunta a que moitas delas non se sentiron suficientemente motivadas.E non me estraña, dígoo así de claro. A abstención preocúpame moito porque é un síntoma do abismo que hai entre os dirixentes políticos e a poboación. Colócoo mesmo como un obxectivo persoal: explicar a política ás persoas de maneira que sintan que poden incidir. Como se fai isto? Non só en base a discursos. Non se lle pode dicir á xente 'participa en política' e logo non darlle instrumentos para iso. Hai que crealos e facelo de maneira sectorial, xeográfica --por comarcas-- e xeral --referendos--. É imprescindible para chegar aos obxectivos que nos marcamos, non podemos arriscarnos a facer políticas que involucren a toda a poboación sobre o seu destino se previamente a cidadanía non está afeita a que a súa opinión conta e é vinculante. "Estamos afeitos ao 'ordeno e mando'. Falta unha cultura participativa que quizais a teñamos que facer antes de aplicar esas políticas innovadoras" Lidos en clave abertzale, os resultados son moi bos. Mais non o son para outras políticas e para outras formas de facer política, porque entre PNV, PSE e PP suman 53 de 75 escanos.Preocúpame moito que a esquerda estatal quedou fóra do Parlamento, paréceme un síntoma xeral da debilidade das esquerdas en Europa. A política neoliberal necesita un freo, así que iso non me alegra en absoluto. Imos buscar puntos de encontro e darlles opción de que poidan facer política aínda que non estean no Parlamento. Hai que superar as miserias da política ao uso e pensar en clave de país buscando acordos amplos. Para as políticas de esquerda necesitamos complicidades.Esta semana volveron a avogar por eses pactos con todos, o que constata que non era unha táctica electoralista como algúns dicían, senón unha aposta sostida. Mais, non é difícil de entender que se reivindique outro modelo e á vez se estenda a man para eses pactos?Non. A procura de pactos é aceno de identidade da nosa nova política. Agora, se o que quere dicir é que resulta moi difícil que outras forzas pacten con EH Bildu cando reivindicamos outras políticas, entendo mellor a pregunta. E creo que se falamos de problemas reais, imos estar máis preto dos acordos do que pensamos. A miña experiencia persoal é que cando se fala en teoría as ideoloxías sepárannos, mais cando se fala de dar solucións aos problemas das persoas, temos que coincidir á forza. E van ter que apearse dalgunhas políticas que non achegan solucións.A crise é o máis urxente. E o primeiro asalto tras as urnas era o Consello Vasco de Finanzas, de onde só saíu desacordo, reproches mutuos...Tamén o Consello Vasco de Finanzas necesita unha reflexión en profundidade, hai que facer unha unificación de criterios e este é un bo momento porque estamos de acordo en que a crise nos leva a ter que buscar novas fontes de financiamento. As deputacións poden empezar a chegar a acordos sobre fiscalidade e o Parlamento pode ser un lugar para facer esa unificación de criterios. A liña que iniciou Gipuzkoa é moi válida, Bizkaia empezou a aplicar algunhas medidas de modo máis tímido, e Araba vai ter que facelo. "Necesariamente imos ter que contar con máis soberanía para atallar a crise. Temos que negociar o concerto e superalo, e propor a independencia" Cando Iñigo Urkullu expón dedicar dous anos á crise e falar logo do marco, é posíbel iso? Cabe afrontar a crise sen ter máis instrumentos?Necesariamente imos ter que contar con máis soberanía para atallala. A experiencia dinos que o Concerto queda curto fronte aos recortes de Rajoy. Por unha banda temos que negociar a Cota para compensar todo iso que nos impoñen, e por outro superar o Concerto e propor a independencia.E que opina deses dous anos? 2014 xa é ano de referencia polo referendo escocés e o centenario catalán. Se esperamos, pode marchar ese tren?Non é fácil contestar a iso. Por unha banda temos moito traballo por diante para involucrar a unha parte importante da poboación na senda independentista, temos que contrarrestar moitos anos de bulos, mitos e inexactitudes. Mais, doutra banda, tamén penso que cando o tren se vai, hase ir, e iso pode atrasar o proceso quince anos, como vimos noutros paises. Son partidaria de que cando xorde a faísca hai que acender a mecha, mais sen facelo rápido, correndo e mal. Entón, non sei se dous anos son suficientes, mais si que dentro de catro anos temos que estar moito mellor. Non sei se seremos independentes ou non, mais si que estaremos moito mellor.Os resultados si son moi bos para o carril da resolución ao conflito, porque PP e PSE perden moito peso. Mais o problema en realidade non está aquí, senón en Madrid. Como facer que se mova?Neste tema a clase política vai por detrás da sociedade. A cidadanía está a facer a tarefa de reconciliación de maneira moi natural, ninguén vai á panadaría e piden o perdón antes de darlle unha barra de pan, senón que lle dan a barra e falan de que tal están os teus fillos. Mira ao futuro e non ao pasado. Que se pode facer? Aprender desa sociedade e achegar posturas de maneira natural. Moitas veces os políticos non son a solución, senón o problema. Eu só estou disposta a falar de maneira positiva, e en consecuencia só espero escoitar mensaxes positivas, as negativas vanme escorregar.Que tipo de oposición farán? Van manter o ton baixo da campaña?Eu non creo que fose ton baixo, todo o contrario. Mais non hai que confundilo con ruído, a xente está farta de balbordo. Non imos facer ruído, imos facer política, e unha política moi sólida, moi consciente e moi responsábel. Creo ademais que se pode traballar mellor sen ruído que con el.Que conclúe das conversacións con outros líderes? Que pasa cando se van as cámaras e apagan os micrófonos?Hai demasiado aparato na política. Cando sentas diante de alguén e preguntas como arranxamos isto, se nos esquecemos un pouco dos aparellos e imos ás políticas estaremos máis preto do que cremos. Os aparellos ás veces desvirtúan o que debe ser facer política. Cando os cidadáns desconfían dos políticos, o que están a dicir é que non lles gustan os aparellos, e a min tampouco. Quero atoparme con líderes que saiban tomar decisións e que poidan tomalas desvinculados dos seus propios aparellos. "A cidadanía está a facer a reconciliación de maneira moi natural. Moitas veces os políticos non son a solución, senón o problema" Entramos nun ciclo máis ou menos longo. Sendo realistas, como lle gustaría que estivese este país dentro de catro anos, ao final da lexislatura?Teño dúas respostas. A primeira é que me gustaría que estea exactamente como a súa poboación o desexe. E agora engado que a min persoalmente gustaríame que fose un país independente baseado na xustiza social. Mais a primeira resposta é a máis válida: como a poboación o desexe. Oxalá sexa o mesmo que desexo eu.
NOS_39743
A oposición critica as políticas forestais e para o rural do PP ao longo de todos estes anos e lembroulle a Ángeles Vázquez a falla de medios e persoal. A intervención do portavoz do PP luxou o debate, insinuando que En Marea, PSdeG e BNG non estiveron a pé de terreo contra o lume e apontando que "semella que desexaban" que acontecesen os fogos.
A oposición quería que fose Núñez Feijóo quen comparecese no Parlamento para dar conta do desastre acontecido en Galiza nesta fin de semana. Mais o presidente non estivo, xa nin se lle esperaba, e quen deu a cara foi a conselleira de Medio Rural, que solicitara comparecer ela propia. Ángeles Vázquez cinxiuse ao guión sobre o que o Partido Popular está a construír o seu relato sobre o que pasou estes días. Non houbo descoordinación, non houbo fracaso de políticas forestais, non houbo falla de medios. O que houbo foi "un ataque sen precedentes, unha aldraxe", houbo "terrorismo incendiario". Como posteriormente dixo o portavoz do PP neste debate, José Balseiros, o que houbo foi "un atentado en toda regra contra os galegos". Ángeles Vázquez informou que nestes catro días arderon máis hectáreas que en todo o resto do ano mais non deu cifras. Si número de incendios, 276. Afirmou que o operativo dispoñíbel era maior que o normal nesta época noutros anos. Mesmo dixo que antes destes días fatídicos Galiza "estaba tranquila", obviando que en zonas de Ourense os incendios viñan producíndose desde comezos de mes. A conselleira cualificou de "demagoxia" "esa política de nomear Ence, eucaliptos..." á hora de falar das causas dos incendios. Xogou a baza, habitual en certos sectores do PP, de acusar a oposición de descoñecer, cando non ignorar, o rural, do que o PP se presenta como único lexítimo representante. Nesta liña, mesmo aconsellou á portavoz do BNG, Ana Pontón, que "pasee máis polo rural". A nacionalista retrucoulle que se após 4 persoas mortas e miles de desaloxados todo o que tiña que dicir era que ela fose pasear polo rural, "é que o posto quédalle moi grande" A realidade Pontón (BNG) foi a primeira da oposición en ter a palabra. A nacionalista dixo que "terrorismo incendiario" é tamén o abandono programado do rural, a eucaliptización, a falla de ordenamento do monte... Pediu un cambio da política forestal e traballar e lexislar para un rural e un monte vivos, mentres lembraba que dúas semanas antes desta vaga de incendios a Consellaría despedira máis de 400 brigadistas. A Xunta non estivo á altura dos acontecementos, sostivo a portavoz do BNG, lembrando que mentres moitas persoas estaban atrapadas na A52 os medios públicos galegos estaban retransmitindo fútbol. José A. Quiroga (PSdeG) lamentou que o PP viñese ao Parlamento coa "tese única" da existencia dunha "trama de incendiarios", lembrando que o propio fiscal de Medio Ambiente dixo que nunca detectaran tal. "O problema é máis amplo e complexo", engadiu, e chamou ao PP a centrase nel. De por parte, Luis Villares (En Marea) pediu á Xunta que "non se esconda detrás dunha trama incendiaria que ninguén ve por ningures" e afirmou ao xeito de Beiras que estes días en Galiza "esmoreceu o Estado e agromou a Nación". A falla de medios e planificación obrigou a cidadanía a intervir "para salvar o común". "Faltaron medios e sobrou incompetencia", dixo Villares, que concluíu que "a cidadanía galega non merece un presidente covarde". Incendio no Hemiciclo "Veu vostede aquí a incendiar o Hemiciclo", dixo na contraréplica o socialista Quiroga referíndose ao popular Balseiros, que intervira anteriormente. José Balseiros, como os irlandeses de Gaillimh, semella dos que nunca deixa pasar a oportunidade dunha boa bronca, dialéctica neste caso. Sobráronlle minutos para elevar a temperatura da Cámara e provocar e anoxar os deputados da oposición. Comezou cun "nós apostamos na Galiza, outros na pancarta" para desprezar as mobilizacións desta segunda feira no mellor estilo daquel "ladran o rancor polas esquinas" aznariano. O do PP insinuou que a oposición "parece que estaba desexando que acontecese" o que pasou esta fin de semana. Unha frase que fixo saltar En Marea, PSdeG e BNG. Unha frase canalla, como rosmou alguén. Non a única. A seguir, Balseiros dixo que estes días o PP estivera ao pé da veciñanza e dos incendios mais, de novo dirixíndose á oposición, ceibou un "non os vin a vostedes polos incendios", que insinuaba moito. Outra volta, momentos de bronca e o presidente Santalices tivo que ameazar con suspender o pleno.
NOS_44709
Cun manifesto asinado xa por 200 persoas, a iniciativa social Galiza pola Soberanía, que este sábado se deu a coñecer en Compostela, comezará a traballar "de maneira inmediata" para avivar o debate visando a construción dun Estado galego.
Pola República galega, polas nosas fragas, contra a LOMCE e por un ensino público de calidade, pola Selección galega, porque a nosa solidariedade 'é imparável', polo Xabarín Club, polo pobo saharaui, para reinvindicarmos a Cultura contra a mentira, para proclamarmos a identidade do pobo galego cun Eu nunca serei yo, pola escola popular A Semente, para Que voltem para à casa!, contra as enerxías nucleares, pola Folga xeral!, porque berramos 'Cultura si, mausoleo non', contra a estafa das preferentes, porque Queremos Galego, porque procuramos amante galego-falante, polo pracer e polos centros Quérote, lembrando o lipdub pola lingua feito no CEIP de Chapela Eu falarei, para dicir que todas somos conas ceives, pola independencia, por Carvalho Calero e até por este xornal. As máis de cen persoas que puxeron en marcha a plataforma Galiza pola Soberanía estaban chamadas a asistir á súa presentación vestindo camisolas que reclamasen ou reivindicasen os diferentes sentires do pobo galego. Sentadas ao redor dunha bandeira da Patria, ouviron da voz de Mero, que actuou co seu grupo, A Quenlla, o primeiro dos chamados, ese que remata cun 'porque é nosa, e só nosa, a nosa Terra'. Convócovos á loita en desespero,coa palabra xa cansa de derrotas,que o silencio está acabando cos mencerese a razón non aluma cal deberasen xustiza, sen xuízo, nin sentenza. Rematada a primeira intervención musical, foi Ana Costoia, militante do colectivo feminista Conas Ceives, quen encetou a leitura dos propósitos que este sábado levaran alí a esas máis de cen persoas: "a nosa acción solidaria como pobo co firme propósito de traballarmos por ese futuro de emancipación nacional, social e de xénero". Costoia revolveuse contra os poderes políticos e económicos "que controlan o estado español no seu propio beneficio" acelerando o desmantelamento dos sectores produtivos do País, a asimilación cultural e lingüística con Madrid e a recentralización do Estado, e recordou que, malia o discurso globalizador dos últimos 20 anos, naceron en Europa 12 novas nacións independentes. Por todo o anterior, explicou, tense posto en marcha esta iniciativa, de nome Galiza pola Soberanía (GpS), chamada a promover "por vías democráticas" o debate e a axitación social no camiño dunha "soberanía plena" que conceda a Galiza a condición de Estado propio "antipatriarcal, social e laico, con base nunha república". A grande mobilización nacional unitaria, en marcha Mauricio Castro trazou a folla de ruta que GpS seguirá para a consecución do obxectivo antes mencionado. Haberá "unha grande mobilización nacional" anual nunha data que GpS anunciará "proximamente". Porén, para alén das accións de rúa e das manifestacións, "de maneira inmediata imos comezar a intervir publicamente levando o debate soberanista á realidade social de hoxe na Galiza", realizando un traballo de "interlocución" tamén a nivel institucional e internacional, con mención especial a Catalunya, Euskal Herría ou Escocia. Así mesmo, promoverase un Encontro nacional pola Soberanía da Galiza. ¡Irmáns! En pé sereosa limpa fronte erguida, [...]arredor da bandeira azul e branca,arredor da bandeira de Galicia, ¡cantémo-lo dereito á libre nova vida! Recitando En pé!, versos do poeta nacional Ramón Cabanillas, a escritora Marta Dacosta pechou a quenda de intervencións convocando á cidadanía galega a facer parte das mobilizacións soberanistas convocadas para o Día da Patria, así como a colocar nun lugar visíbel das xanelas a bandeira galega. O acto de presentación rematou con máis unha intervención da Quenlla. Interpretaron Irmaus, un canto internacionalista que ilustra ben a vontade de unidade do pobo galego.
NOS_9695
En menos de 40 minutos, Carlos Bacca anotou tres dos catro goles cos que o Villarreal despezou o Celta na noite do sábado. A equipa colócase así a un paso das competencións europeas e deixa os de Vigo xa case sen posibilidades de acceder a elas.
A primeira parte do encontro resolveu practicamente todas as dúbidas. Só transcorreran 12 minutos de partido cando Raba intuíu un espazo libre arredor de Bacca. Cedeulle o balón e o Villarreal adiantouse no marcador. Nese intre, os de Castellón xa cabecearan á madeira e crearan perigo na área galega. Hai quen di que mesmo un penalti desapercibido para o árbitro. Durante 20 minutos, o mando permaneceu nos de Bacca. Mais no 33, Sisto igualou o marcador. A ledicia celtista non durou. Na primeira xogada despois de reanudar o xogo, Bacca volveu adiantar o Villarreal. E tres minutos despois, no 37, o colombiano completou o seu hat trick. A disputa, e as esperanzas para o Celta, esvaecéronse. Aínda que a segunda parte non pareceu tan segura para o Villarreal como indicaba o marcador parcial -3-1-, apenas houbo sustos. A ausencia de Iago Aspas influíu. E no minuto 92, Samu Castillejo subiu o cuarto gol dos castellonenses. Na comparecencia de prensa posterior, o adestrador celtista Juan Carlos Unzúe lamentou a "falta de acerto" no segundo tempo e comentou a situación na táboa: "Evidentemente Europa está máis complicada, pero matematicamente non está acabada e non o imos deixar ate o final. Imos pelexar mentres haxa opcións de o podermos acadar". Ficha técnica: Villarreal: Asenjo, Mario Gaspar, Álvaro, Víctor Ruiz, Rukavina; Rodri, Manu Trigueros, Castillejo, Raba (Fornals, m.59), Cheryshev (Sansone, m.85) e Bacca (Unal, m.77). Celta: Sergio, Hugo Mallo (Tucu Hernández, m.74), Cabral, Sergi Gómez, Jonny; Jazabed (Emre Mor, m.83), Lobotka, Brais Méndez (Boyé, m.68), Sisto, Wass e Maxi Gómez. Goles: 1-0, m.13: Bacca. 1-1, m.34: Sisto. 2-1, m.35: Bacca. 3-1, m.38: Bacca. 4-1, m.92: Castillejo. Árbitro: Alberola Rojas. Amoestou Trigueros e Castillejo, do Villarreal. Incidencias: Partido correspondente á xornada 35ª da liga, disputado no estadio da Cerámica ante 14.135 espectadores.
NOS_54010
A través das redes sociais, a portavoz e candidata nacionalista, comentou con humor que "parece que non poderei estar tanto tempo de permiso por maternidade como tiña previsto".
A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, manifestou que "estamos preparados" perante o adianto electoral anunciado por Feixoo. "Temos un proxecto sólido para mellorar a vida das galegas e galegos", dixo a deputada, que apelou a que "hai unha maioría social que quer abrir un tempo novo" e acrecentou que o Bloque ten "a mellor candidata", en referencia a Ana Pontón. Precisamente Pontón, de permiso de maternidade, anunciou esta segunda feira a través das redes sociais que "parece que non poderei estar tanto tempo de permiso por maternidade como tiña previsto". [..] A nacionalista indicou tamén que "o #5A temos a oportunidade de abrir un tempo novo na Galiza".
NOS_24812
Edicións Xerais vén de anuncira nas redes sociais que, a partir da vindeira semana, estará dispoñíbel a tradución ao galego de Fariña (2016).
A edición estaba practicamente ultimada cando unha xuíz retirou das librarías a versión española da obra de Nacho Carretero que relata a transformación do contrabando de tabaco en tráfico de cocaína na costa galega. Xerais paralizou a distribución da obra. Esta mañá, despois de se saber que a Audiencia Provincial de Madrid levantaba o secuestro, a editorial viguesa anunciaba a inminente saída de Fariña en galego. En concreto, estará nas librarías a partir da vindeira semana.
PRAZA_9444
"Centos de persoas renderon homenaxe á poeta nacional galega", resalta a Fundación Rosalía de Castro para describir o ambiente dos actos que evocaron a poeta no seu día en Santiago e Padrón, pero tamén en moitos outros puntos de Galicia, entre versos, música e reivindicación
Do vello Camiño Novo á Alameda e ao antigo Hospital Real e de alí, á Casa da Matanza previo paso polas principais rúas de Santiago. Os actos centrais do pasado domingo, 24 de febreiro, amosaron a consolidación da data do nacemento de Rosalía de Castro como o Día de Rosalía, unha data que xa transcende as fronteiras das institucións e que tornou nun día de celebración da vida e obra da poeta por múltiples puntos de Galicia.Coa reivindicación dos dereitos sociais no centro das actividades, múltiples concellos evocaron a Rosalía durante os últimos días en multitude de actos culturais que, dalgún xeito, confluíron no cortexo cívico desenvolvido o domingo en Santiago e despois, en Padrón. A actual Praza de Vigo, na contorna do vello Camiño Novo onde naceu a autora, foi o inicio dun percorrido salferido de versos, flores e música."Centos de persoas renderon homenaxe á poeta nacional galega", resalta a Fundación Rosalía de Castro para describir o ambiente do cortexo que, tras a homenaxe no monumento no lugar natal da poeta, partiu con rumbo á emblemática escultura erguida na súa honra hai un século na Alameda compostelá. Alí representantes das principais institucións do país realizaron unha ofrenda floral. Unha vez concluído o acto ante o monumento a comitiva internouse no casco vello da capital galega, onde o son das gaitas dos Carapaus acompañou o percorrido. O destino era o Hostal dos Reis Católicos, o vello Hospital Real "onde se bautizou Rosalía como filla de pais incógnitos", lembra a Fundación. Alí os versos rosalianos soaron nas voces de persoas adultas e tamén en voces infantís e a poesía mesturouse con reivindicacións sociais como a do persoal dos medios públicos que se mobiliza na plataforma Defende a Galega.Ao termo dos actos en Santiago o centro do Día de Rosalía desprazouse a Padrón, cuxo alcalde, Antonio Fernández Angueira, estivo ao carón do rexedor compostelán, Martiño Noriega, durante as homenaxes de Compostela, nas que tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais a vicepresidenta da Deputación coruñesa, Goretti Sanmartín.Na Casa da Matanza, onde finou Rosalía, os portugueses Canto d'Aqui puxeron a música e a escritora Ledicia Costas, o Caldo de Gloria acompañado por bolos do pote elaborados por tres veciñas de Mazaricos, Ángela Tuñas, Esther Muíño e Laura Prado.As Alboradas de Rosalía, os actos en torno á poesía ou a preparación do Caldo de Gloria estiveron moi presentes en Santiago e Padrón, pero tamén en moitos outros puntos de Galicia. Así, por exemplo, Ames, Brión, Rois, Teo, Rianxo, A Guarda, Celanova, Arzúa, Ponteceso, A Coruña, Lugo, Arteixo, Ames, Betanzos, Boiro, Cervo, Cospeito, Fisterra ou Guitiriz acolleron tamén actos de lembranza a Rosalía no propio día 24 ou nas xornadas previas. En Santiago a programación esténdese ata o día 28.
NOS_30131
O fútbol sala galego está de noraboa, pois o Pescados Rubén Burela vén de ser distinguido como o Mellor Equipo Feminino do Mundo nos premios Futsalplanet Awards 2020. Ademais, o técnico do conxunto laranxa, Julio Delgado, foi segundo na categoría de Mellor Adestrador, mesmo posto que ocupou Peke na de Mellor Xogadora.
Patricia González Mota, máis coñecida como 'Peke', xa fora cuarta no ano 2019 e terceira en 2016, sempre defendendo o escudo do Pescados Rubén Burela, onde chegou na tempada 2011/12 procedente do FSF Rioja Diamante. Durante todo este tempo a ala levantou tres ligas, outras tantas Copas Xunta da Galiza, Supercopas de España e Copas da Raíña, así como unha Eurocopa de nacións. Pola súa banda, Julio Delgado é un home da casa que no pasado xa dirixiu o primeiro equipo masculino do Pescados Rubén. Como responsábel das mulleres, Delgado logrou gañar os últimos seis títulos aos que aspiraban, "a grande e maior recompensa de todo técnico", como el mesmo recoñece. Porén, o Burela non acaparou todos os recoñecementos con selo galego nos Premios Futsalplanet, pois a futbolista do Alcorcón, Vane Sotelo, foi recoñecida como cuarta mellor xogadora do mundo e a gardameta Caridad García, do Poio Pescamar, como cuarta mellor porteira, e con só 21 anos de idade. Curiosamente, hai tan só uns meses a súa compañeira no conxunto pontevedrés Silvia Aguete recibía con moito atraso a causa da pandemia o seu trofeo como Mellor Porteira do Mundo durante o ano 2019, que non puido aspirar a revalidar neste último ano a causa das lesións. No caso de Vane Sotelo, este tipo de recoñecementos non son novos para ela, pois xa foi sétima nos Awards en 2014, así como a Mellor Xogadora do pasado Campionato de Europa de seleccións, o que non impide que considere que "os premios individuais nos deportes de equipo non teñen sentido sen as compañeiras que tes o lado", polo que ten claro que "isto pertence a todas e cada unha de nós".
NOS_19409
Recoñécese "abrumada" ante a repercusión da súa actuación, que derivou nunha chamada para levar "unha bronca" e acusala de que "ficase no ar" a continuidade do espazo de regueifas.
"Fica claro que Defender a Galega é máis que necesario". Sara responde así á pregunta de que conclusión saca da polémica xerada a raíz da súa actuación canda Aurora no espazo de regueifas de 'Luar'. Unha mensaxe de apoio a 'Defende a Galega', o colectivo que leva meses mobilizándose contra a censura e manipulación nos medios públicos galegos, serviulle a Sara para levar "unha bronca" e ser culpada dunha posíbel eliminación deste espazo da 'grella' do veterano programa televisivo. Atende a Nós Diario 10 minutos antes de entrar a aulas. Recoñece estar "sorprendida" por todo o que aconteceu nestes días. "tanto polo rebumbio nas redes sociais como pola chamada recibida, sobre todo polo ton". "Eu contaba coa miña descualificación do concurso, non con todo o resto". "Para defender a Galega / Dígoche de corazón / Calidade informativa / Menos manipulación" Esta moza regueifeira explica que a chamada "veu dicirme que meterlle un "gol" á galega estaba moi ben pero que pola miña culpa suspendía o programa, o espazo de regueifa. E que había que pensar as consecuencias das cousas, que a regueifa era unha cousa moi bonita e non tiña que entrar en política. E despois houbo unha serie de ameazas que prefiro non comentar". Tamén a súa compañeira Aurora recibiu unha chamada: "Xa foi noutro ton e dixéronlle que o espazo non estaba suspendido pero que podía ser que se suspendera se seguían este tipo de contidos e mensaxes". Sara defende a regueifa como algo que non pode estar á marxe do que acontece na sociedade. "A nivel de regueifeiros ou colectivos ligados á oralidade, que non haxa resposta en certos temas, que haxa silencios, tamén me parece política", manifesta. "Que se volvería facer o mesmo?". Medita apenas uns segundos: "Seguramente" E a seguir engade: "Si, faríao". Sobre se nestes días sentiu apoios e respaldos, cita sobre todo o recibido da regueifa feminista. "Houbo tamén a nivel de redes sociais, pero aínda non puiden poñerme con iso".
NOS_50271
Anuncia que a súa comisión deontolóxica vai valorar a decisión do xerente da área sanitaria de Vigo e xustificada por Núñez Feixoo. Eva Maquieira criticara no seu FB a desprotección coa que o persoal tiña que combatir a COVID-19
O cesamento polo Sergas da xefa de Servizo do Hospital de Vigo que criticou a xestión do coronavirus non gosta no Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, que cualifica de "improcedente" esa decisión e informa que a levará ao seu comité deontolóxico. Neste órgano valorará se "hai lugar" para levar esta decisión xustificada por Núñez Feixoo perante a Fiscalía. O Colexio manifesta o apoio a Eva Maquiera, a destituída, e defende as posicións destab facultativa reivindicando máis material para o persoal sanitario. "Non fixo máis que reivindicar o que este Colexio vén demandando", afirman nun comunicado. O Colexio incide no "risco" no que está a incorrer o persoal sanitario na loita contra o coronavirus e insta a administración a dotar de matrial específico a estas profesonais "no menor espazo de tempo posíbel". O post no facebook de Eva Maquieira, moi crítico coa xestión da crise do coronavirus por parte dos responsábeis sanitarios, e que está na orixe da decisión de cesala, estendeuse polas redes sociais e foi partillado por moitos profesionais sanitarios. Afirmaba aí que "sentín moita rabia e impotencia, recoñézoo. Sobre todo ante a falta de liderado por parte dos mandos directivos da Sanidade Galega (aqueles que traballan desde despachos mais non con pacientes reais)". Afirma que "fun criticada e reprendida polos meus mandos superiores por empregar máscaras cirúrxicas desde hai unha semana na miña actividade diaria no hospital, sobre todo en curas e consulta, onde é fisicamente imposíbel manter a tan pregoada distancia de 1 metro".
NOS_11732
O que fora secretario xeral das Mocidades Galeguistas na Coruña recibe máis un ano a tradicional homenaxe.
O grupo de barrio do BNG en Monte Alto e a organización xuvenil da fronte nacionalista, organizan unha homenaxe a Pedro Galván Calvete, secretario de organización das mocidades galeguistas da Coruña fusilado a mans dos fascistas en 1936 cando tan só contaba con 19 anos. O acto consistirá nun roteiro iniciado na Praza de María Pita e que continuará até o cemiterio de San Amaro guiado pola profesora da Universidade da Coruña e exparlamentar Pilar García Negro. Finalmente, as persoas participantes realizarán unha ofrenda floral perante o sartego de Pedro Galán nun acto no que intervirán Pedro Galán Horro, sobriño do homenaxeado; o responsábel comarcal de Galiza Nova, Daniel García e Suso Bermello, candidato polo BNG ás eleccións nacionais pola Coruña. Un patriota asasinado Pedro Galán Calvete naceu en Monte Alto en xullo de 1917 no seo dunha familia de traballador@s e migrantes, coma tantas outras persoas de onte e agora. Galán, foi alumno das primeiras escolas de ensino primario que deron aulas na lingua de noso, cando aínda era mestre delas outra vítima do fascismo, Ánxel Casal. Galán Calvete convertiríase co tempo nun mozo comprometido con Galiza e cos problemas reais do noso pobo. Tales facetas convérteno en secretario xeral das Mocidades Galeguistas, cando esta se constitúe na Coruña, cidade na que contaría cunha importante actividade política e de pulo na creación de numerosas asociacións e clubes coma o Clube do Mar. Porén o estalido do golpe fascista puxo fin á súa vida nunha de tantas 'cunetas' en 1936. Cada ano a mocidade nacionalista da Coruña, lembra e homenaxea a a figura deste mozo, do que din era "un patriota galego" que morreu por defender a liberdade da Galiza
NOS_22211
O crítico Andrés Castro achéganos a "O que facemos nas sombras", ao seu ver, a mellor comedia do verán e, sen dúbida, unha das mellores do ano.
What We Do in the Shadows(Nova Zelandia 2014, 86 min.) Dirección e Guión: Jemaine Clement e Taika Waititi Fotografía: Richard Bluck e D.J. Stipsen Música: Plan 9 Elenco: Jemaine Clement, Taika Waititi, Jonny Brugh, Cori Gonzalez-Macuer, Stuart Rutherford, Ben Fransham, Rhys Darby, Jackie van Beek, Elena Stejko SINOPSE Segue as vidas de catro compañeiros de piso que tratan de saír adiante e superar os obstáculos de seren vampiros inmortais que deben alimentarse de sangue humano e, ao mesmo tempo, pagar o aluguer, manter o nivel de vida, entrar en discotecas ou superar os conflitos típicos da convivencia. CRÍTICA Ao gran... O que facemos nas sombras é probablemente a mellor comedia que poidamos ver este verán e, de seguro, unha das mellores do ano. Xa a premisa é para escachar. A modo de -falso- documental trata dos problemas de convivencia de catro compañeiros de piso de Nova Zelandia: quen se encarga de fregar os cacharros, quen limpa o baño, que xente se pode traer a casa, as horas de ir durmir... A priori nada especial. A convivencia pura de dura de calquera piso de estudantes. Pero se resulta que eses compañeiros son vampiros, pois xa a cousa xa cambia, non? Jemaine Clement e Taika Waititi, os artífices da idea, inspiráronse nas míticas personaxes de Os Novos, emitida nos comezos da galega, e puxéronlles cairos. "É probablemente a mellor comedia que poidamos ver este verán e, de seguro, unha das mellores do ano". Quen tivera uso de razón alá por mediados dos anos 80 lembrará aqueles tolos episodios destroyer cheos de ironía e mala baba daquel casopo onde habitaban o anarquista Rick, o punky Vivian, o hippie Neil e o rocker Mike, que son substituídos aquí por Viago (Taika Waititi) un estirado vampiro alemán da época do romanticismo, Deacon (Jonny Brugh) un rudo vampiro da época victoriana, Petyr (Ben Fransham) unha evidente homenaxe ao nosferatu Max Schreck, e Vlad (Jemaine Clement) un vampiro mullereiro e atormentado con ínfulas do Drácula de Bram Stoker. Atención tamén as personaxes secundarias, en particular ao bo de Stu (Stuart Rutherford) un informático que se fai amigo dos vampiros, e Jackie (Jackie van Beek) a escrava de Deacon para as tarefas diúrnas. Inesquecíbeis personaxes que caen xenial desde o comezo. Por suposto non faltan outras homenaxes que van desde o Blade de Wesley Snipes, ao Crepúsculo de Robert Pattinson, pasando por Xoves Ocultos (1987, Joel Schumacher), e incluso, como é tamén neocelandesa, a O Señor dos Aneis, iso si, só para ollo dos máis fanáticos. Avísase desde o principio que "os cámaras deste documental levaron crucifixos durante toda a gravación". Esa simpática frase aporta unha inmediata complicidade co espectador e co que vai acontecer a continuación. Se engadimos uns efectos especiais espectacularmente realistas, o conxunto é de quitar o chapeu. "É como eses pratos de alta cociña: están moi bos e quedas ben, pero se botaran un pouco máis de cantidade tampouco pasaba nada" Unha xenial brincadeira de hora e media na que se alternan sorrisos, gargalladas e agradables sorpresas para os amantes do xénero, sen descoidar, nin por un momento, a posta en escena e proposta inicial que avanza coma un reloxo nunha historia ben elaborada que se retroalimenta de si mesma. Moita improvisación, inda que moita planificación tamén, diálogos vivos, humor negro, absurdo e unha chea de orixinalidade son os puntos fortes de O que facemos nas sombras. Unha das poucas cousas que se lle poderían achacar é que se fai algo curta. Pero é como eses pratos de alta cociña: están moi bos e quedas ben, pero se botaran un pouco máis de cantidade tampouco pasaba nada. Ah, e queden ate o final dos títulos de crédito porque hai unha sorpresiña.
NOS_7202
A Fiscalía Xeral do Estado está a estudar as conclusións que a Fiscalía de Catalunya lle ten dirixido en relación ás denuncias presentadas este domingo por UpyD e a fascista Plataforma por Catalunya.
UPyD pide a detención de Artur Mas, mentres que a PxC demanda a suspensión das votacións. A FXE, cando tome unha resolución, dirixirase ao xulgado de guarda de Barcelona e aí ábrense diversas hipóteses: a) que decrete a detención de Mas; b) que decrete a suspensión c) que orden investigar os factos após a xornada de hoxe e d) que desestime as denuncias.
PRAZA_9972
O popular, que critica os venres sociais de Sánchez, chegou a 'aprobar' un suposto informe sen validez xurídica na campaña das xerais de 2011 no que pedía ao Goberno de Zapatero "que se poña a traballar"
O popular, que critica os 'venres sociais' de Sánchez, chegou a 'aprobar' un suposto informe sen validez xurídica na campaña das xerais de 2011 no que pedía ao Goberno de Zapatero "que se poña a traballar""Cada Consello de Ministros convértese nun mitin do PSOE". Así criticou nesta campaña o presidente Feijóo os denominados "venres sociais", os últimos consellos de ministros nos que o Goberno central está a aprobar medidas cualificadas pola oposición como electoralistas. Porén, só nas 19 reunións do Consello da Xunta celebradas nas dez campañas electorais de todo tipo que se levan vivido desde que Feijóo é presidente divulgáronse, ademais de decretos ou acordos, un total de 63 informes sen valor legal, meras notas de prensa propagandísticas presentadas como supostas decisións do Goberno galego e coas que a Xunta chegou a pedir ao Goberno central "que se poña a traballar". Este xoves o propio Feijóo defendeu a súa actuación e diferenciouna da de Sánchez argumentando que a Xunta non está en funcións. Porén, o Goberno central tampouco o estará ata o próximo luns.Nas roldas de prensa posteriores a cada Consello da Xunta (e no listado de asuntos supostamente tratados nesas reunións que divulga posteriormente o Goberno galego) hai anos que todos os presidentes adoitan non só referirse aos proxectos de lei, decretos ou acordos aprobados neses encontros senón tamén a supostos informes, documentos que, ao contrario que as anteriores figuras legais, non requiren dun traballo xurídico previo e non teñen nin que ser aprobados formalmente. Eses informes, que teñen a mesma validez legal que unha nota de prensa, veñen sendo usados polo presidente de cada momento para introducir el mesmo na súa comparecencia algún tema sobre o que lle interese pronunciarse orientando así a axenda política e informativa. O rango legal deses informes, ao contrario que as decisións do Consello de Ministros, é nulo e como máximo limítanse a deixar constancia dunha decisión firme producida noutro ámbito ou momento, pero non nese concreto Consello da Xunta.Un informe divulgado tras unha reunión do Consello da Xunta na campaña das xerais de 2011 eloxiaba o seu propio traballo e criticaba o do Goberno de ZapateroDurante as campañas electorais dos dez comicios celebrados desde a chegada de Feijóo á Xunta en 2009 (Xerais de 2011, 2015, 2016 e as actuais, autonómicas de 2012 e 2016, locais de 2011 e 2015, e europeas de 2009 e 2014) celebráronse 19 consellos da Xunta nos que se divulgaron 63 informes propagandísticos. Entre eles houbo varios dedicados a criticar a actuación do Goberno central cando o ocupaba o PSOE. Así, na campaña municipal de 2011 un informe criticaba a redución das achegas que recibía Galicia por parte do Ministerio de Medio Ambiente. Nas xerais dese mesmo ano outro informe sobre as actuacións fronte ao problema do tax lease, o sistema de financiamento da construción de barcos anulado pola UE que estaba a afectar ao naval galego, foi empregado como autobombo da Xunta e crítica do Goberno central asegurando que "a Xunta de Galicia adiántase novamente ao Goberno central co fin de atopar unha solución que dea viabilidade ao naval" e engadíase: "Desde Galicia esíxese ao Goberno central que se poña a traballar de forma inmediata".Na campaña das autonómicas de 2012 o Consello da Xunta chegou a divulgar ata oito informes propagandísticos sobre todo tipo de asuntos nunha soa reuniónDeses 19 consellos da Xunta en campañas electorais, o que máis informes propagandísticos divulgou celebrouse a dez días das autonómicas de 2012. Nel Feijóo publicitou oito deses informes que salientaban desde medidas da Xunta de apoio a vítimas de violencia ata equipamentos culturais. Non é que as medidas citadas neses informes fosen todas mentira ou non existisen, senón que non foron aprobadas polo Consello da Xunta no que se publicitaron, o que lles confire o seu carácter de propaganda política vinculada á figura do propio presidente que os divulga, neses casos en plena campaña electoral.Este xoves Feijóo tirou de informes propagandísticos para anunciar 4,7 millóns en subvencións turísticas e cursos de formación para desempregados por 57 millónsO Consello da Xunta deste mesmo xoves, a tres días das eleccións, tratou tres deses informes, aproveitados por Feijóo para anunciar 4,7 millóns de euros en subvencións para infraestruturas turísticas en concellos rurais e cursos de formación para desempregados por 57 millóns. Porén, os informes que había por tras dos anuncios do presidente limitábanse a dar conta de liñas de subvencións resoltas polas consellerías e sobre as que nada tiña que decidir o Consello da Xunta deste xoves.No tempo de preguntas da rolda de prensa, a Feijóo preguntóuselle por cales das diversas medidas que anunciara se correspondían con informes e se considera que divulgalos en campaña é máis ou menos propagandístico que os decretos leis do Goberno central. O presidente non foi quen de responder cantos dos anuncios que viña de facer se correspondían con informes e defendeu a súa actuación dicindo que "non estamos en funcións no Goberno da Xunta de Galicia", como pouco antes tamén criticara decisións "en funcións" do Goberno central, que non estará nesa situación ata o próximo luns. Feijóo asegurou que "todo o que estamos aprobando respecta toda a normativa" -os informes non teñen que ser aprobados polo Consello- e engadiu que "se hai algún anuncio que podemos facer, non no Consello senón fóra, de forma incorrecta, por suposto que haberá que rectificalo".Os informes de autobombo permiten ao presidente orientar a axenda informativa en función dos seus interesesTodos os presidentes galegos empregaron estes informes de autobombo, xa sexa para tapar a falta de contido real e acordos formais das súas reunións, especialmente en épocas de crise económica, ou para afastar a atención mediática doutras cuestións conflitivas. Durante os gobernos de Manuel Fraga chegou a haber reunións do Consello da Xunta nas que se divulgaron máis dunha vintena de informes. O bipartito de PSdeG e BNG reduciu entre 2005 e 2009 o seu uso a menos de un por Consello, pero Feijóo vén empregándoos de xeito crecente desde que chegou á Xunta en 2009, a unha media de 3 por Consello na súa primeira lexislatura, 3,5 na segunda e máis de 4 nesta terceira lexislatura. Ao tempo, o presidente ocultou en diversas ocasións acordos polémicos si adoptados polo Consello da Xunta que só transcenderon tras posteriores investigacións xornalísticas.
PRAZA_11445
Os populares gañaron nas seccións máis pobres e envellecidades, situadas no rural. Igualmente impúxose con claridade nos lugares con maior renda media, situados nos centros urbanos, onde duplicaron o resultado do PSdeG-PSOE.
A renda é habitualmente un bo indicador da orientación do voto. As zonas máis ricas adoitan votar máis a partidos de dereitas e as máis pobres a forzas de esquerdas. O que di a teoría aplícase, con matices, en moitos territorios do Estado español, como recolle esta reportaxe de eldiario.es. Pero non en todos e, dende logo, non en Galicia, onde a renda media dunha zona está moi determinada por factores como o envellecemento, de xeito que os espazos máis envellecidos e rurais son tamén os máis pobres e os máis ricos correspóndense sempre con barrios urbanos ou de localidades das súas áreas metropolitanos. Nesas zonas máis pobres (pero tamén máis envellecidas e rurais) os populares roldan o 43% dos votosPor exemplo, no 10% das seccións máis pobres a idade media é de 48,4 anos, cunha porcentaxe de pensionistas que supera o 34%, oito puntos máis que nas seccións máis ricas.É por iso que en Galicia o Partido Popular (cuxo voto está moi relacionado coa idade) acada mellores resultados nas seccións censuais con rendas máis baixas, como tamén recolle estoutra reportaxe de eldiario.es. Nesas zonas máis pobres (pero tamén máis envellecidas e rurais) os populares roldan o 43% dos votos, fronte ao 30% do PSdeG-PSOE e cifras por debaixo do 10% nos restantes partidos (En Común 8%, VOX 7%, BNG 6%, Ciudadanos 3%).O voto socialista mantense moi estable en todas as zonas, dende as seccións máis pobres e envellecidas ás máis ricas e novas, mentres que En Común e Ciudadanos acadan mellores resultados canto máis rica e nova (e urbana, case sempre) é unha sección. O voto a BNG e VOX tamén crece lixeiramente nos espazos de máis renda, pero en menor medida. Porén, todo cambia de novo ao chegar aos barrios máis ricos, ás seccións con maior renda media.Nas 25 seccións con máis renda o PP acada unha media do 43,4% dos votos, duplicando os datos do PSdeG (21,5%)Se analizamos as seccións con maior renda media por persoa (barrios urbanos ou parroquias de localidades situadas nas súas áreas metropolitanas) atopamos un resultado electoral moi diferente ao rexistrado no conxunto de Galicia. Así, nas 25 seccións con máis renda o PP acada unha media do 43,4% dos votos (31,94% no conxunto do país), duplicando os datos do PSdeG (21,5%, lonxe do 31,28% acadado en toda Galicia). Ademais, na Galicia máis rica VOX é a terceira forza, con case o 10% dos apoios, dous puntos máis que o seu resultado global. E Ciudadanos, cun 6,3%, tamén mellora en dous puntos a súa media.Na Galicia máis rica VOX é a terceira forza, con case o 10% dos apoiosA pesar de que En Común acada os seus mellores datos nas zonas urbanas e conurbanas, non o fai nos barrios máis ricos, onde fica no 8,5% (obtivo un 12,66% no conxunto de Galicia). E tamen o BNG, co 5,6%, ten nestas zonas un apoio inferior á súa media no conxunto do país (8,13%).As tendencias mantéñense ao analizar as 50 e as 100 sección con maior renda, pero as dinámicas observadas nos barrios máis ricos van atenuándose, achegando os resultados ás medias globais. Mesmo así, nas 50 seccións máis ricas o PP segue por riba do 40% e VOX mantense como terceira forza.No barrio máis rico de Galicia o PP obtivo o 53% dos votos, por diante de PSdeG (14,7%), VOX (10,5%), En Común (6,8%), Ciudadanos (5%) e BNG (4,2%)Por poñer un exemplo concreto, na sección censual con máis renda media en toda Galicia, situada no Ensanche da Coruña (na contorna da Praza de Galicia) o PP obtivo o 53% dos votos, por diante de PSdeG (14,7%), VOX (10,5%), En Común (6,8%), Ciudadanos (5%) e BNG (4,2%).Nas seguinte, situada en Oleiros, o PP tamén foi a forza máis votada, cun 42%, duplicando o PSdeG (20,5%) e con VOX como terceira forza (12,6%). E iso, a pesar de que no conxunto do Concello impuxéronse os socialistas con En Común como terceira forza.Mesmo no barrio máis rico de Vigo (a quinta sección con máis renda de Galicia), tamén situado no centro da cidade, o PP impúxose con claridade ao PSdeG (42,4% a 15,6%), con VOX como terceira forza por diante de En Común. E todo a pesar de que no conxunto da urbe os socialistas gañaron aos populares por 14 puntos (36,6% a 22,4%), con VOX en cuarta posición con apenas un terzo dos votos de Podemos.
NOS_44251
Kiko da Silva dá un paso ao fronte. O humorista gráfico e debuxante de cómic, como se define el mesmo nas redes, reivindica o papel político da arte e chama a deixar de esconderse na neutralidade. O artista pontevedrés vén de lanzar unha versión renovada das icónicas viñetas de Castelao, unha lectura actual do álbum Nós, que fai parte da campaña política do BNG. Ilustracións que poñen de manifesto a vixencia da obra e a mensaxe do rianxeiro. En case un século, mudou o accesorio pero se mantivo o transfondo.
- Como xorde a idea de repensar as viñetas? - Participara xa nunha campaña a nivel municipal en Pontevedra no 2015. Funcionou, gustou a xente e este verán, en canto se coñeceu o adianto electoral, puxéronse en contacto comigo para ver se podíamos facer unha proposta diferente para estas eleccións. Recordo que estaba nese momento no salón de Viñetas do Atlántico. Había un hándicap, que foi o tempo, con moita menos marxe de manobra, pero tiña bastante claro o que quería facer. Unha das cousas da que quedei máis contento, como coa banda deseñada 'Lorix e Mosquerix', foi liberdade total e absoluta que me deron para traballar. - Que te levou a aceptar a encomenda? - Quería reivindicar a importancia de Castelao, non só como artista, tamén como político. E era unha maneira de reivindicar tamén a miña postura, porque normalmente na miña profesión a xente non quere nunca posicionarse. Pero creo que cos tempos que corren temos que mollarnos, dicir o que pensamos e ser coherentes coa nosa ideoloxía e co país que queremos. No meu caso, estou vencellado ao humor gráfico. Non contemplo que se poida facer boa crítica social desde a neutralidade. Nunca somos neutrais. Así como no seu momento Castelao tivo que posicionarse, vindo dunha familia que para nada era nacionalista nin moito menos de esquerda, ou loitando tamén co que dicían sobre as súas ideas algúns amigos e compañeiros. - Hai espazo para o político no arte ou para a arte na política? - Chegou o momento de deixar de escondernos, de reivindicar a arte como política. É un problema que vén de tempos nos que Galiza saíu moi mal parada, como o franquismo. Moita xente, coma o meu avó, dicían os seus netos que non se meteran en política, que a política só traía leas. Ese tipo de mensaxes, no fondo, calaron na sociedade e dunha maneira inconsciente se fixeron moi populares. E segue, e mira que choveu desde entón, esa idea de que a política é para os políticos e que a cidadanía non ten que meterse nela. É o momento de nos facer responsables do noso futuro, porque a política é a nosa vida. Se ti como artista non queres mostrar os problemas da sociedade, da túa contorna e do tempo no que te tocou vivir, estás pechando os ollos. Aínda que te coloques no lado contrario, que decides que non queres que a túa obra sexa política, estás tomando no fondo unha decisión política. - Un exercicio arriscado actualizar a obra dun tótem como Castelao? - Son un gran seguidor da obra de Castelao, gusto moito dos seus traballos non só a nivel humorístico, tamén na escrita e na reflexión. Realmente a decisión foi rápida. Estamos no aniversario de Castelao, na miña cidade, en Pontevedra, temos unha magnífica exposición ao redor da súa obra gráfica... Era unha maneira de poñer enriba da mesa o maior problema que ten Galiza nestes momentos. Os problemas de Galiza non cambiaron tanto desde os tempos de Castelao. Estou convencido de que se Castelao estivese vivo, seguiría facendo unha e outra vez fincapé nas viñetas que fixo hai case un século. Esa problemática era a que quería trasladar con estas visións actualizadas do álbum Nós, demostrarlle a sociedade que temos un problema se non facemos algo para cambialo. - E que cambiou? - Agora non levamos boinas, nin imos con zocas pola rúa; levamos teléfonos móbiles, facemos skate ou buscamos Pokemón, pero a realidade social, política e económica do país segue tendo as mesmas eivas, necesidades dun carácter moi similar as que reivindicaba Castelao. Quería reflexionar sobre cuestións como a busca de traballo, non só polos que emigraron, mentres as grandes industrias buscan sistemas como ternos entretidos e que non saiamos a rúa a protestar. Por iso a idea de ligalo ás novas tecnoloxías e estes xogos de moda. A nivel social hai que pedir unha reflexión, cada vez estamos máis adormecidos, pegados a unha pantalla de televisión, e non temos a distancia necesaria para poder reivindicar un emprego digno. - Por que decidiches apoiar o BNG? - Polo convencemento de que a xente que nos adicamos o mundo da arte témonos que posicionar. Parafraseando Castelao: "Galiza só deixará de loitar pola liberdade cando a consiga". Ese é o problema, temos que salvar Galiza desde aquí, non van vir de fóra a solucionar os nosos problemas. Esa é unha das cousas que me levou a apoiar o BNG, nestes momentos é a única posibilidade política que temos de autogoberno e de xestión dos nosos recursos, da nosa cultura. Non vexo o mesmo en ningún outro partido dos que se presentan estas eleccións. *Podes ollar as viñetas de Kiko da Silva na seguinte ligazón: Álbum "Nós" de Kiko da Silva Publish at Calameo
NOS_57378
A interpretación da Xunta da Galiza da orde ministerial que regula a fase cero da desescalada deu pé ao inicio da tempada de pesca fluvial e marítima. Unha orde publicada o 6 de maio permite aos pescadores das modalidades deportivas, federados ou non, volver tirar a cana. Ao tempo, colectivos ecoloxistas sinalan que o Goberno estatal situou esta práctica e mais a da caza na fase dúas da desescalada.
Xavier Pazo é integrante da asociación de troiteiros Río Furelos de Melide. Onte pola mañá achegouse a pé até a beira do río para aproveitar o inicio da tempada e pescar por primeira vez. Tradicionalmente esta arranca o terceiro domingo de marzo, un día despois de que o Goberno estatal aprobase o decreto de alarma. Unha interpretación da orde publicada o 30 de abril no Boletín Oficial do Estado que regula as medidas da fase 0 da desescalada serviu de base á Xunta da Galiza para restabelecer a pesca fluvial e a marítima en todas as súas modalidades. Así o anunciou o Diario Oficial da Galiza (DOG) onte. O Real Decreto co que se instaurou o estado de alarma limitou a mobilidade da poboación a unhas poucas actividades básicas. Na fase cero, que entrou en vigor a pasada segunda feira, abriuse a porta a outras. Entre elas, á práctica deportiva individual, tanto a federada e profesional como a non federada e baixo condicións diferenciadas. Dúbidas sobre a medida O plan de desescalada do Goberno estatal, aprobado por acordo en Consello de Ministros, abre a veda á caza e á pesca, que considera actividades agrarias, na segunda fase dun total de catro cara a "nova normalidade" . Esta comezaría, como moi cedo, o 25 de maio. Porén, a orde ministerial que regularía esta fase e as vindeiras aínda non foi publicada, nin polo tanto o regulamento concreto das mesmas. Nunha carta remitida a pasada fin de semana ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, as conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e Mar, Rosa Quintana, avanzaron a vontade da Xunta Galiza de permitir a pesca deportiva, tanto marítima como fluvial. O silencio desde a Administración estatal foi interpretado positivamente. Entendendo a interpretación da Xunta, poderíase practicar sen perigo de multa, afirma José Ramón Folgueiras "Esta cuestión espertou dúbidas a comezos da semana, pero entendendo a interpretación da Xunta, de que pesca é unha actividade deportiva, poderíase practicar sen perigo de multa sempre que se cumpran restricións como manterse no concello se non estás federado e non desprazarse en coche", afirma José Ramón Folgueiras, presidente da Asociación Profesional de Axentes Forestais e Medioambientais da Galiza. O sector, que conta con arredor de 100.000 persoas, defende a medida. Xavier Pazo explica que a práctica da pesca é de por si solitaria: "Se atopas a outra persoa nun couto simplemente saúdala, preguntas se pican ou non pican e sitúaste lonxe para non molestala". Á orde que regula a fase 0 e o deporte únense as limitacións propias da pesca fluvial. "Podemos comezar a pescar unha hora antes do amencer e outra despois do solpor, eu non podería permanecer na beira até as once da noite, por exemplo", di Pazo, engadindo as normas que limitan as capturas ou o número de pescadores por couto. O integrante da asociación Río Furelos explica que na segunda feira houbo quen botou as canas ao río despois de que a Consellaría de Medio Ambiente publicase unha circular na que informaba da apertura da veda. El foi dos que decidiu agardar a que a orde fose publicada onte no DOG. Colectivos ecoloxistas cuestionan a interpretación Desde Adega, aseguran que as capturas realizadas nesa xornada son, polo tanto, "ilegais". Tanto Adega como a asociación Ríos con Vida remítense ao plan de desescalada anunciado polo Goberno estatal e que sitúa pesca e caza na fase dúas para cuestionar o permiso da Xunta. Ante a incerteza provocada pola interpretación da Xunta, Ríos con Vida dirixiu unha misiva á delegación do Goberno na Galiza para que aclare a súa legalidade. "Mesmo se a caza e a pesca contan coas súas federacións deportivas, temos que lembrar están sometidas ao cumprimento das disposicións de xestión e aproveitamento dos recursos naturais", apunta Martiño Nercellas, vogal de biodiversidade de Adega.
PRAZA_2163
Os últimos acontecementos no proceso de formación dunha Candidatura Galega de Unidade poñen de manifesto, por dicilo de forma suave, as graves eivas da esquerda en Galiza, por non falar das contradicións e incoherencias dalgúns dos seus máis conspicuos protagonistas
Os últimos acontecementos no proceso de formación dunha Candidatura Galega de Unidade poñen de manifesto, por dicilo de forma suave, as graves eivas da esquerda en Galiza, por non falar das contradicións e incoherencias dalgúns dos seus máis conspicuos protagonistas. A atomización política da primeira etapa da transición borbónica, reducida considerablemente na segunda metade dos 90, volveu con forza nos últimos tempos. Por esta razón, e na crenza de que as diferenzas entre unha parte significativa das forzas existentes non teñen un carácter antitético no actual tempo político, é polo que se iniciaron dende hai uns meses algúns movementos de base cidadá co obxectivo de construír unha alternativa política de amplo espectro. Algo absolutamente necesario para enfrontar a actual deriva estatal cara o neoliberalismo máis atroz xunto a unha brutal ofensiva contra ás nacións do Estado, como non se tiña producido dende os tempos de Franco. Así é como xorden en Galiza os colectivos ou plataformas Somos Nós, Iniciativa Pola Unión (IPU) e o Encontro Cidadán por unha Marea Galega (ECMG). Todas, aparentemente, coinciden en que é necesario unha confluencia cidadá e partidaria da esquerda nacional galega para facer fronte eficazmente aos retos que se aveciñan. En primeiro lugar, enfrontar unhas eleccións xerais nas que Galiza debería presentarse cunha soa voz capaz de aglutinar a todos e todas situados á esquerda das forzas neoliberais españolas. En segundo lugar, esta Plataforma Electoral Galega debe ter personalidade xurídica propia, isto é, non ser apéndice nin sucursal de ningunha forza política estatal. Esta condición sería imprescindíbel para operar de forma independente no Congreso dos deputados e no Senado co único mandato de defender os intereses de Galiza baixo os principios e o programa electoral que no seu día se aproben democraticamente polos membros de dita plataforma. O que ocorre é que os postulados do parágrafo anterior non teñen a mesma lectura e significado para algúns dos representantes das plataformas existentes no país. O inicial éxito electoral de Podemos e a súa peculiar posta en escena cativou rapidamente a moita xente e, en Galiza, algúns elaboraron a súa estratexia electoral en función do partido morado. O rápido ascenso nas enquisas e a enorme popularidade do seu líder como fenómeno mediático axudou a formar a idea de que sen Podemos non había alternativa electoral ao chamado "Réxime do 78". Pero, ao pouco tempo da súa irrupción no Parlamento Europeo, pronto apareceron as primeiras contradicións desta forza emerxente, cambiando ou modificando o seu discurso sobre distintos temas de política interior e internacional co obxecto de facerse máis homologable coa "sociedade española". Este rechamante aggiornamento lonxe de incrementar os apoios electorais abriulle os ollos a moita xente e, coa mesma velocidade coa que subiu, comezou a periclitar: primeiro foron os resultados insuficientes de Andalucía e hai uns días os "decepcionantes" de Cataluña. A suma da plataforma podemita catalá ás teses das forzas constitucionalistas acabou por restarlle crédito ante as bases de "esquerda" parando en seco as expectativas electorais de Iglesias ao tempo que se consolida e avanza a dereitista Ciudadanos. Por iso, sen entrar agora na polémica de se resulta procedente supeditar o futuro de Galiza a unha alianza electoral con forzas españolas, o que si estaría en cuestión neste momento sería a conveniencia dunha alianza expresa coa forza morada nun momento en que o seu evidente devalo non garante sequera un bo resultado electoral. Pero o que resulta máis preocupante é a escasa coherencia entre o discurso político teórico e os feitos prácticos dalgunha xente que se presenta como alternativa á "vella política". Proclámase, aos catro ventos, que as decisións deben ser tomadas polos cidadáns, empoderados politicamente fronte ás estruturas da casta, e o que ocorre na práctica non é máis que un amaño excluínte duns poucos que lle "ofrecen" o seu acordo aos demais para que, se o consideran conveniente, se sumen ao que determinaron os preclaros líderes da revolución. Absolutamente delirante. Esta actitude só se pode entender dende a soberbia mesiánica de quen pensa que ten nas súas mans o futuro do país e pode prescindir de todos os demais, incluída a súa base social. Pero a soberbia, aínda que teña a súa orixe en experiencias oníricas, algunhas veces pode ser moi perigosa, e esta é unha delas. Por iso creo que é especialmente pedagóxica a experiencia catalá. Hoxe a forza que pode facer cambiar as cousas no estado español é a que demanda unha nova fórmula, social e territorial, onde poidan encaixar as nacións que o compoñen. As contradicións derivadas da emancipación de Catalunya situaron o problema nos seus xustos termos: a gran empresa, a gran banca e os poderes fácticos todos unidos contra a independencia catalá. Utilizaron todos os mecanismos de presión para facer fracasar a cita plebiscitaria e non o conseguiron, por moito que manipulen os datos. Por se non estivese claro agora utilízase a xudicatura para procesar a Mas e a outros cargos da Generalitat por convocar un referendo. Ese feito de dimensión histórica, o proceso de independencia catalá, marca o camiño do futuro inmediato e indica onde están as fortalezas e oportunidades do cambio real no Estado ao tempo que pon ao descuberto as debilidades e a vulnerabilidade da suposta vía morada para un proceso constituínte en España. Aínda temos tempo. Os resultados, relativamente similares, na votación do ECMG sobre a unificación coa IPU permiten albiscar certas esperanzas. Polo menos, hai un proceso de clarificación que traballa a favor da confluencia. Mais, como acabamos de ver, o medo ás asembleas abertas decisorias, xunto aos vellos prexuízos, poden arruinar o que é un clamor social innegábel. O proceso de construción dunha Candidatura Galega debería ser un exemplo de honestidade, lealdade e transparencia, fuxindo de arroutadas egoístas e de cálculos de curto percorrido. O prestixio derivado dun proceso destas características ilusionaría a moita xente e facilitaría un resultado histórico para Galiza. Aínda non é demasiado tarde, seremos capaces de facelo?
NOS_25543
Aclamada ópera prima de Galder Gaztelu-Urrutia, foi premiada no Festival de Cinema Fantástico de Catalunya (Mellor Filme, Dirección Revelación, Efectos Visuais e Premio do Público), nos Premios Goya e nos Premios Gaudí (Mellores Efectos Especiais) e co Premio de Público en Toronto (dentro da sección "Loucura de Medianoite"), entre outros recoñecementos internacionais. Todo isto propiciou que cazatalentos de Netflix adquirisen os dereitos para levar a súa distribución en exclusiva.
A historia, ideada por David Desola, que ademais escribe o guión xunto a Pedro Rivero (coguionista da multipremiada Psiconautas), parte dunha inquietante premisa: dúas persoas por nivel nun foxo sen fin que ten un enorme buraco rectangular no medio, polo que baixa unha plataforma chea de comida. O foxo | Galder Gaztelu-Urrutia | 2019 | 94 minutos Os do nivel inferior teñen que se alimentar cos restos que van deixando os do piso superior, e así sucesivamente. Considerando que a comida parte do piso cero, a medida que a plataforma descende, a comida vai sendo cada vez máis escasa. De que se alimentarán os dos niveis máis baixos? Inspiración na novela de J.G. Ballard High-Rise, levada ao cinema en 2015 por Ben Wheatley, que concentraba nun só edificio unha loita de clases en sentido vertical. O Foxo fai o mesmo, pero cara abaixo e reducindo os problemas dos inquilinos ao tema culinario. Comer, unha necesidade básica capaz de sacar o peor do ser humano para non morrer... Ou ser comido. Ante esta disxuntiva xorde unha terceira vía: a solidariedade espontánea. A redistribución da comida cara os niveis máis baixos. Pura metáfora socio-política. Apenas hai concesión. Tras unha preparación culinaria propia de El Bulli, o protagonista. Ivan Massagué (O labirinto do fauno) esperta no nivel 48 ante un entrañábel compañeiro de plataforma, interpretado por un inmenso Zorion Eguileor, que lle explica as regras básicas do Foxo nun quid pro quo que xa nos dá unha pequena pista de por onde van ir os tiros. Pouco vai durar a tranquilidade e o bo rollo. A partir de que baixa a primeira plataforma con comida, imos presenciando a paulatina transformación do compañeiro de cela nun arrepiante Hannibal Lecter "de andar pola casa". Unha imprevisíbel, salvaxe e escatolóxica distopía de terror con varios subniveis de lectura para a reflexión e non poucos momentos de sadismo extremo, na liña de Crú (Julia Ducournau, 2016), da cea final de Hannibal (Ridley Scott, 2001) ou do Clube Inferno de Blade 2 (Guillermo del Toro, 2002). Para gourmets do xénero. Obvio.
NOS_55391
A pandemia da Covid-19 alterou a estacionalidade do virus respiratorio sincitial (VRS), causante da metade dos casos de pneumonía na infancia e da gran maioría de bronquiolites. Mais xa está aquí, fóra do seu tempo. Nós Diario conversa ao respecto co xefe de Pediatría do CHUS, Federico Martinón-Torres.
Que é e que importancia ten o virus respiratorio sincitial? É a causa máis frecuente de dificultade respiratoria nos lactantes e a causa máis frecuente de ingreso. Na maioría dos casos a infección será leve e desenvolverase como un catarro común pero cando baixa das vías superiores ao pulmón, produce esa dificultade que pode requirir hospitalización. En cifras, este virus é a segunda causa de mortalidade a nivel global en crianzas de menos dun ano. Explica arredor de 60.000 mortes anuais, das cales a metade acontecen en bebés de menos de seis meses hospitalizados, e explica perto de 80% das infeccións respiratorias de vías baixas en cativada de menos dun ano. Ademais, é o responsábel duns 30 millóns de casos de infeccións de vías respiratorias inferiores anuais en rapazada de menos de cinco anos. Polo tanto é o causante dunha infección frecuente e grave, especialmente nos lactantes, aínda que non é exclusivo deles. Desde a área de infectoloxía decatámonos, a partir de probas moleculares, de que tamén está presente na poboación adulta coidadora, vulnerábel a este virus. De feito ten unha mortalidade superior á da gripe. E afecta sobre todo ás persoas máis maiores, en especial a quen ten enfermidade pulmonar crónica. Nestes casos achega unha carga de patoloxía significativa cunha morbilidade e mortalidade que non hai que desprezar. Parece demostrado que a pandemia mudou a estacionalidade do VRS. Desapareceu? Está claro que as medidas que tomamos para o control do SARS-CoV-2 tiveron impacto noutras doenzas de transmisión como a gripe ou o virus respiratorio sincitial. De feito, non apareceu cando estaba previsto que o fixese. En climas como o noso chega sobre outubro-novembro e acaba a finais de febreiro-marzo. Este ano non tivemos ningún caso nesas datas pero estámolo a experimentar agora. Non é algo illado e aos pediatras non nos colleu por sorpresa. Sabiamos que non desaparecera, pero o covidcentrismo fai que calquera outra realidade salte a un segundo plano. E estámolo vendo, coa relaxación das medidas están a aparecer os virus estacionais, entre eles o sincitial. É o que máis preocupa a comunidade pediátrica? Como aínda non temos vacinas -no meu grupo estamos a traballar no desenvolvemento de vacinas específicas e antivirais, pero aínda non están dispoñíbeis- non podemos intervir doutra maneira que aplicando anticorpos monoclonais, un sistema de prevención que só está indicado, neste momento para un pequeno grupo de crianzas prematuras ou con algunha enfermidade crónica. Esa profilaxe hai que poñela mes a mes, e como non se puido predicir o que ía pasar é difícil indicar agora cando activala. O pouco que podiamos facer está en cuestión e puxo de relevo que, en países como España, sen un sistema de vixilancia epidemiolóxica específica para este virus, non puidemos anticiparnos. É unha vella reclamación e é o momento de pólo en marcha. Este virus é importante. Vai producir ingresos e desestabilizacións, ademais de diagnósticos diferenciais e confusión nun contexto en que todo o respiratorio é un problema. O sistema de atención pediátrica está preparado para dar resposta a un aumento da demanda? Por suposto. En pediatría temos que estar preparados para manter a calidade e toda a garantía asistencial no peor dos picos posíbeis. Agora, o que está a pasar é o mesmo que acontece no inverno pero no verán. Temos os servizos de urxencias e as camas de hospitalización a tope por este virus, que afecta aos acabados de nacer mais os do ano anterior que entran en contacto co VRS por primeira vez. O pico é mais alto e o sistema pode verse ao límite. Vostede defende que autoridades deberan angustiarse con cada VRS hospitalizado tanto como con cada caso de Covid-19 nun adulto. Da mesma forma que se mobilizan todos os recursos para un caso de Covid hospitalizado deberían pórse a disposición dun caso de VRS. Os rapaces son o noso futuro e hai que facer o máximo. A resposta debe ser global e o máis eficaz posíbel para tratar de anticiparnos agora que cambiou a estacionalidade. Cómpre poñer todos os recursos necesarios para manexar os rapaces que ingresan polo VRS. Son pacientes cunha estancia media de entre seis e 10 días que evolucionan con dificultade. Para nós é moito mais importante, preocupante e angustioso que a Covid, porque o que temos, sobre todo, son hospitalizados polo virus respiratorio sincitial. As patoloxías pediátricas mantéñense a pesar da pandemia. Os nenos e nenas seguen a enfermar e a ter infeccións. Polo tanto, non hai que baixar a garda. VRS, un inimigo habitual e grave "O virus respiratorio sincitial é un inimigo habitual" e contaban con el. A súa aparición "asincrónica", recalca Federico Martinón-Torres, ten que servir sobre todo como "chamada de atención a todo o sistema: a Covid é terríbel, pero non pode deixar atrás outras patoloxías, particularmente todas as que afectan as crianzas". Por iso, desde o ámbito da pediatría inciden na urxencia dun sistema específico de vixilancia epidemiolóxica, "unha petición coral" que permitirá "anticiparse ao peor escenario posíbel, programar e facer a profilaxe da que dispoñemos" axiña e ben. Mentres, aclara, "nos lactantes é moi importante o lavado de mans antes de contactar con eles e reforzar ese coidado fóra do círculo íntimo da crianza". Hixiene e distancia. "Se tivese un lactante de menos de dous anos preocuparíame máis que collese un VRS que a Covid, porque pode supor unha afectación grave con ingreso e mala evolución".
NOS_27230
Baixa o número de denuncias e descende o apoio institucional. As crise desprotexe ás mulleres vítimas de violencia machista e, cos datos na man, o BNG reclamará no pleno desta semana unha análise da situación e o incremento de axudas económicas, psicolóxica e xurídica ás mulleres que padecen violencia de xénero.
As asociacións de mulleres alertan de que a crise está a afectar á redución do número de denuncias por violencia diante do silencio da administración que aplica tamén os recortes aos programas das vítimas do terrorismo machista. O pleno debaterá unha proposición na que o BNG demanda á Xunta que se incrementen as axudas ás mulleres, que se lle preste atención psicolóxica e xurídica e que se cren xulgados de violencia de xénero. Son algunhas das reclamacións que levaron ao colectivo Velaluz a iniciar a folga de fame que aínda continúan na Coruña. De 6.068 denuncias por violencia de xénero en 2009 pasouse a 4788 en 2012. A ONU alertou xa en 2010 sobre os efectos que a crise económica ten sobre as mulleres que padecen violencia de xénero e, cos datos na man, as deputadas do BNG levan ao pleno desta semana unha proposición non de lei na que reclaman que se promova un "acompañamento axeitado das mulleres para accederen aos recursos e aos procesos xudiciais" como garantía de seguridade. O obxectivo concrétase en medidas que pasan por facilitar o acceso ao "salario da liberdade", promover o seu acceso ao emprego e a atención psicolóxica e xurídica ademais da creación de xulgados específicos de violencia de xéneros, recollidos na lei mais aínda inexistentes. A iniciativa do grupo nacionalista critica que os recortes teñan afectado ao cumprimento da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero que recolle a "asistencia social integral" das mulleres vítimas de violencia de xénero, e na que se contempla o seu dereito a "servizos de atención, de emerxencia, de apoio e acollemento e recuperación integral". A aplicación dos recortes derivou nun endurecemento dos criterios do coñecido como "salario da liberdade" que buscaba a autonomía económica das mulleres. Se antes unha muller con ingresos de 800 euros podía contar cunha axuda de 400 agora non pode recibir ningún tipo de apoio económico. Para as que conten con ingresos de até 532,51 euros, a axuda será de 600 a 800, e de 300 a 500 para as mulleres percepcións de entre 532,52 e 798,76. A iniciativa do BNG reclama ao goberno do PP que mellore as axudas´ás mulleres que padecen violencia de xénero, facilitando a rapidez na súa xestión, abrandando os criterios de adxudicación e prolongando a duración a 18 meses prorrogábeis até 24. Como reclaman diversas organizacións de mulleres, a proposición recolle tamén a necesidade de integrar a "atención psicolóxica" como un servizo de atención primaria e implantar un sistema de rexistro de casos de violencia de xénero. O mesmo se recolle para a atención xurídica, permanente e especializada en materia de violencia contra as mulleres. Contémplase que o colectivo de mulleres que sofren violencia de xénero sexa preferente no ámbito da formación e o emprego, ocupando un lugar privilexiado na totalidade da normativa autonómica relativa ao establecemento de axudas e subvencións ás empresas para a contratación de persoal. O BNG reclama tamén que o Parlamento inste á Xunta a demandar do goberno do estado a creación de e xulgados específicos de violencia de xénero nas cidades, até agora inexistentes.
NOS_26600
Debullamos os últimos movementos na política galega, falamos das deputacións, da Galiza contaminante, da violencia obstétrica, de medio século de fútbol na Costa da Morte, entrevistamos a escritora Eli Ríos... todo isto e moito máis, neste número. Xa á venda na nosa loxa.
Sae do prelo un novo número do Sermos Galiza, o 150, con diversos temas que entendemos de interese. En 'Unha lista galega con personalidade xurídica propia para o Congreso' falamos da proposta de o Bloque concorrer nas xerais como parte dunha Candidatura Nacional Galega de Unidade debátese nas asembleas abertas e irá ao Consello Nacional do sábado 20. En 'A Galiza contaminante', contamos como o medio ambiente continúa a ser unha das materias pendentes na Galiza. Facemos un percorrido polos principais 'puntos negros' do país -a carón do recente informe de Greenpeace- e unha análise das súas causas e consecuencias económicas, sociais e políticas. 'Deputacións: cara ao principio da fin' é outra reportaxe neste semanario. As eleccións do 24M non só deixaron un novo mapa municipal en Galiza. Crearon a oportunidade de acometer unha transformación a fondo dos entes provinciais que permita que, no proceso cara á súa desaparición, sexan institucións transparentes, democráticas e eficientes. Un artigo de César Mosquera ("Sexamos realistas, fagamos o imposíbel") completa a información. A outra soberanía dos corpos 'Violencia obstétrica, a (outra) soberanía dos corpos'. Tratamos nesta reportaxe que é a violencia obstétrica, Como se manifesta? Responden a estas cuestións a doutora en medicina e feminista, Lola Ferreiro; Benita Martínez, matrona en Vilalba e integrante da Asociación galega de Matronas e O Parto é noso. 'Un ministro ao servizo das eléctricas' tratamos como a regulación do autoconsumo enerxético está no punto de mira de Soria. 'O TTIP encalla no Parlamento europeo': a Eurocámara tivo que canear as voces críticas adiando o debate e votación sobre o Tratado de Libre Comercio perante un hipotético rexeitamento do pleno. 'Un repaso ao medio século de fútbol na Costa da Morte': Xosé María Lema e Chema Rei son os autores dun ambicioso traballo de investigación sobre unha das competencias máis senlleiras do fútbol galego. E en Viaxes na Miña Terra, 'Penagache dende Xacebáns'. Dous sonoros nomes, aquel o do monte, o da aldea este, que imos unir coa nosa andaina demorada para gozar dun día de espazos abertos e vistas que se espallan por ducias de quilómteros. "O proceso de visibilización das mulleres na literatura é á custa dos nosos lombos" Na sección de textos entrevistamos Eli Ríos: "O proceso de visibilización das mulleres na literatura é á custa dos nosos lombos". Ríos ten tres libros premiados que aínda non foron publicados. Un xurado composto por Anxo Angueira, Dolores Vilavedra, Ana Acuña, Olivia Rodríguez, María Jesús Senín e Cruz Taboada decidiu que o seu poemario Café intenso fose o gañador da primeira edición do Premio Rosalía de Castro, promovido polo Concello de Padrón. Publicamos un fragmento en adianto editorial. Na contra-capa falamos do novo rei no universo billardeiro de Galiza.
PRAZA_6763
Davide Salvado é un dos tres artistas galegos (xunto con Uxía e Germán Díaz) seleccionados para actuar no Womex, que comeza este mércores en Compostela. Estará na Praza da Quintana o sábado pola noite.
Entre o mércores 22 e o domingo 26 Compostela virará unha das capitais mundiais da música. O Womex 2014, encherá a Cidade da Cultura e varios espazos da zona vella de world music, con máis de 300 artistas de todo o planeta, entre eles os galegos Uxía, Davide Salvado e Germán Díaz. Ademais, ao redor de 2.600 persoas de máis de 100 países participarán nunha das meirandes feiras musicais, que inclúe 270 stands con máis de 600 empresas, ademais de 22 conferencias e 80 relatores de 30 países e 17 xuntanzas de networking, entre outras actividades. A protagonista é a música e Compostela acollerá 45 concertos distribuídos por distintos puntos da cidade (aos que se pode acceder cun abono de 55 euros), 18 deles (os máis destacados) na Praza da Quintana, para os que tamén se poden mercar entradas individuais (cun prezo de 20 euros por noite). Son tres os artistas galegos seleccionados (Davide Salvado, Uxía e Germán Díaz) polos chamados sete samurais, os expertos encargados de realizar unha complexa peneira, escollendo uns poucos nomes para un escaparate de repercusión global WOMEX leva xa 19 edicións por toda Europa: Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Cardiff. A súa vixésima edición, a primeira en Galicia, elixiu Santiago de Compostela como escenario. Nestes 20 anos de historia, só unha artista galega fora escollida na selección oficial (Mercedes Peón no 2010). Este ano son tres os e as artistas galegas seleccionadas (Davide Salvado, Uxía e Germán Díaz) polos chamados sete samurais, os expertos encargados de realizar en cada Womex unha complexa peneira, escollendo uns poucos nomes para un escaparate de repercusión global. Falamos con Davide Salvado (Marín, 1981). De formación autodidacta, despois de anos de percorrer Galicia realizando recollidas de pezas e sons tradicionais, no 2004 entra a formar parte, xunto a Ugia Pedreira (Marful), Ramom Pinheiro e Richard Rivera, do grupo Ecléctica Ensemble. Pouco despois, uniuse como cantante e percusionista á banda de Xosé Manuel Budiño, coa que xirou por escenarios de medio mundo. Tradición e innovación, eclecticismo, múltiples disciplinas (cabaré, teatro...), todo iso compón a traxectoria e a personalidade carismática deste artista. No 2011 editou o seu primeiro traballo en solitario, Árnica Pura, producido por Eliseo Parra. E dende hai uns meses, á espera de gravar o seu novo disco, está a presentar O Ladrón de Amorodos, o seu novo espectáculo a trío xunto a Santi Cribeiro e Kristian Silva, no que a voz e as percusións tradicionais teñen o protagonismo. Falamos con el sobre a súa participación no Womex e o efecto que este evento pode ter na música galega. E tamén doutros proxectos, coma a súa participación, este mesmo luns, no concerto gravado na Ribeira Sacra polo colectivo Wapapura, que percorre o mundo organizando e filmando concertos en espazos naturais escollidos, e sempre con enerxía solar. "En ocasións chegas a un estado de desmoralización ao ver que aquí non se apoia nada a cultura, e menos a cultura propia" Que representa para ti ser escollido para actuar no Womex? Representa un recoñecemento a toda a miña curta (ou longa desde a miña perspectiva) carreira. E un recoñecemento que vén de xente que ten moitísimo criterio, xente do ámbito das músicas do mundo, os chamados sete samurais. Un recoñecemento, ademais, que chega no momento perfecto, neste Womex que acolle Galicia. En ocasións chegas a un estado de desmoralización ao ver que aquí non se apoia nada a cultura, e menos a cultura propia. "Non son conformista co sistema noso. Seguramente por ser unha persoa crítica, son menos buscado polas institucións. Provoco unha incomodidade notoria" Sénteste ou sentícheste un incomprendido na música galega? A palabra non é incomprendido. Eu sei que son un artista que son politicamente correcto, non o vou ser nunca, nin quero selo. Creo que hai que ser crítico e temos moitas razóns para selo. Non son conformista co sistema noso. Seguramente por ser unha persoa crítica, son menos buscado polas institucións. Provoco unha incomodidade notoria. Que impacto terá o Womex na música galega? É unha marabilla que Galicia organice o Womex este ano. É, dende logo, un trampolín para a música galega. A min vaime abrir portas, vaime situar nun lugar no que me vai poder ver unha chea de xente sen prexuízos. E a Galicia vaille supor situarse no mapa; un lugar no que se fai unha música incrible, cunha riqueza que seguramente é superior á doutras rexións. Hai talento, falta estrutura? Que fai falla para un crecemento da industria musical galega? O que falta é que todos os galegos lle deamos importancia ao que somos, a nivel musical, a nivel paisaxístico, a todos os niveis. Vivimos nun país esnaquizado. É unha desgraza que unha persoa teña unha casa de pedra, a tire e faga unha nova. É unha desgraza que alguén decida repoboar un bosque e plante eucaliptos. E é unha desgraza que unha persoa que quere cantar marche a unha orquestra, tendo a marabilla que en Galicia temos de arquitectura, de natureza e de música. "O que falta é que todos os galegos lle deamos importancia ao que somos, a nivel musical, a nivel paisaxístico, a todos os niveis. Vivimos nun país esnaquizado" Como será a túa actuación deste sábado? Haberá sorpresas? O meu espectáculo vai ser o mesmo co que estou xirando ultimamente, o Davide Salvado Trío, con Santi Cribeiro e Cristian Silva, percusión e acordeón. Non preparei nada especial, simplemente vou ofrecer o que ofrezo a todos os públicos en calquera local, tanto en prazas grandes coma locais pequenos. É polo que me escolleron e vou ser fiel a iso. Si vou incluír temas do meu novo disco, que publicarei en breve e que estou a gravar con Pedro Pascual. Será un concerto 100% galego, con pezas tradicionais, algunhas recollidas por min, outras por outra xente. Un espectáculo íntimo, galego e con sabor. Algunha recomendación entre os concertos deste Womex? Recomendo moitísimo a Cesária Évora Orchestra, que nunca a vin en directo, pero que a recomendo vivamente. E tamén a Ester Rada, de Israel, que actúa despois de min o sábado na Quintana e tamén é unha marabilla. "A experiencia de Wapapura foi un antes e un despois, xa non só da miña carreira, senón a nivel vital, foi maxia pura. O entorno da Ribeira Sacra tamén axudaba a iso" Como foi a experiencia de gravar con Wapapura? Como deron contigo? Wapapura é un grupo de xente nova, moi modernos e moi orgánicos, que fan todo con enerxía solar. Fan unha reportaxe dun entorno natural que eles escollen, xuntan aí os músicos, neste caso David Rothenberg, Indre Jurgelevičiūtė, Miguel Hiroshi e eu mesmo. Para min foi un antes e un despois, xa non só da miña carreira, senón a nivel vital, foi maxia pura. O entorno da Ribeira Sacra tamén axudaba a iso. Chamáronme a min en parte porque estou seleccionado no Womex, pero tamén porque o equipo de Wapapura leva un mes na Ribeira Sacra gravando a vendima e as paisaxes. Estaban nun bar e víronme nunha entrevista na televisión. Creo que nunca traballei con xente coma esta, que o fai todo con tanto cariño, con tanto corazón, con tanto respecto á natureza e ao medio. E xente nova, ademais. Parece que todos os políticos teñen que ser anciáns, que todo o mundo ten que ser ancián. É un gusto colaborar en iniciativas impulsadas por xente de 30 anos. Programación completa do Womex
PRAZA_20070
O arranxo do PP co PNV para sacar adiante os orzamentos do Estado móstranos o auténtico "de-ene-í", con retrato en 3D incluído, dos dirixentes do Partido Popular, expertos en converter en dogma a súa incoherencia.
"Hai xa tempo que a el non lle importa que as cousas non sexan así na súa casa." (Deus sentado nun sillón azul, Carlos Casares). O arranxo do PP co PNV para sacar adiante os orzamentos do Estado móstranos o auténtico "de-ene-í", con retrato en 3D incluído, dos dirixentes do Partido Popular, expertos en converter en dogma a súa incoherencia, malia a revirada actitude en narrarnos a irrelevante falta de harmonía entre o dicir e o facer dos seus adversarios políticos. Iso si, sempre coa impagable axuda dun rosario de ventrílocuos, adestrados para reproducir con absoluta nitidez os pareceres dos personaxes imitan. Non se lle debería reprochar ao PNV que lle facture ao PP, con cargo aos orzamentos do Estado, máis de 4.000 millóns de euros, un AVE en tempo e forma, a redución significativa do cupo e unha rebaixa na factura eléctrica para as empresas do seu territorio. Non é a primeira vez que os nacionalistas vascos afianzan a súa autonomía, mercé a tratos cos gobernos dos partidos do sistema, tan defensores de conceptos coma solidariedade, estabilidade, igualdade,... e "sursum corda", cualificados de solemnes cando hai que usalos para taparlle a boca aos rompepatrias, e rebaixados á condición de cativeza se o "interese do Estado" o require. Un pacto coma este serve, xa que logo, para reiterar que Euskadi goza dun status claramente confederal (recada os tributos, dálle algo ao Estado, e arríncalle unha disposición adicional, para aumentar o autogoberno, cada vez que a metrópole decide recentralizar competencias). Ou serve tamén para acreditar que, tal e como nos vén de demostrar o PP, son constitucionais as normas de carácter xeral, promulgadas polo Estado, malia incluír un menú distinto para cada comunidade autónoma. Ah! O meu tío Lisardo coida que, se o goberno galego fose capaz de aprender a tocar a partitura do acordo entre o seu partido e os nacionalistas vascos, acabaría descubrindo que é legal de todo unha tarifa eléctrica máis barata para os cidadáns e empresas con domicilio en Galicia. Ou que é posible un Estatuto galego que nos dote dunha maior capacidade de autogoberno. Pero iso son cativezas. O que importa é ese estado de levitación que lle deron en chamar "interese xeral".
PRAZA_500
Quero celebrar a subtil conjura de jovens editoriais marginais empenhadas em editar cavilaçons de jovens filósofos para leitores de toda idade. O revoltalho de incertezas e ansiedades que nos rodeia quase o demanda.
Semana final de Fevereiro, Paço de Bendanha, já de anoitecida, a carom das fantasias de Eugénio Granell, apresentava-se o livro de monólogos dialogados Pontes co diaño, encontros com Ignácio Castro de Corsárias Edicións. Oficiavam na mesa Ignácio Castro, o filósofo autor, Pepe Árias, editor corsário e Eva Garea, professora de filosofia e introdutora do acto. A carom das fantasias de Eugénio Granell apresentava-se o livro de monólogos dialogados Pontes co diaño, encontros com Ignácio Castro de Corsárias Edicións Vinte e cinco de fevereiro foi um desses raros dias em que a agenda cultural compostelana parece concentrar-se. Á primeira hora da tarde dissertava no Conselho da Cultura Galega Isabel Burdiel inaugurando o ciclo anual sobre os sentidos da cultura. O tema proposto era sugestivo: por quê os historiadores devem ler novelas. A pertinência do assunto e o facto de a ilustre professora estar preparando umha biografia da condessa de Pardo Bazán depois de ter radiografado com lucidez reconhecida a nom menos imponente figura da rainha Isabel II, convocou em Rajoi a atenta assistência habitual nestas convocatórias, acrescentada na ocasiom polos motivos aludidos. Coincidim na sala do Conselho com Vilhar Trilho, conterrâneo fisterrám, reintegracionista em exercício e colega em algum tipo de leituras infrequentes. Também ele tinha pensado assistir à apresentaçom de Ignácio Castro, que era conhecido por nós por assistência casual a algum dos Encontros de Filosofia da Costa da Morte. De Rajoi a Bendanha. A sala, que ecoa na actualidade do espírito transgressor daquele pintor vanguardista e militante do POUM, ficou cheia em breve e o número de assistentes nom tardou em ultrapassar o de cadeiras disponíveis; quer por cumplicidade intelectual quer por amizade. O Ignácio é compostelano e jogava na casa. Quase estou tentado de descrever ao Ignácio Castro como "jovem filósofo" apesar de obra já publicada e da vida vivida. O escritor de pensamento, como o músico, há-de afrontar grandes dificuldades para ganhar em apreço e audiência; incomparavelmente mais do que o criador de ficçom ou o jornalista. Foi um "jovem arquitecto" muito próximo a mim quem me introduziu na subtil semántica do sintagma "jovem arquitecto" como designativo do profissional que se pretende manter encerrado em tal denominaçom para isolá-lo prudentemente dos happy few da profissom. A diário observamos como proliferam os jovens-o-que-quer-que-seja motivo polo qual nada teria de estranho que Ignácio Castro nom fosse outra cousa que um jovem filósofo sem mais. Quase estou tentado de descrever ao Ignácio Castro como "jovem filósofo" apesar de obra já publicada e da vida vivida A minha iniciaçom em Ignácio Castro foi o livro Sociedade y barbárie editado pola Editorial Melusina e do qual deixei referência escrita em Praça Pública. S e B é um desses panfletos que todo intelectual gostaria de ter escrito. Um autêntico filho das Intempestivas de Nietzsche, para entender-nos. Quem quer que saiba subir-se às barbas do avô profeta merece um respeito, mesmo na céptica república do pensamento pós-moderno. Tampouco é qualquer cousa decidir emboscar-se por um tempo numha choupana do Courel para escuitar o vento e o passo do tempo. Ignácio Castro superou esta prova também e a deixou por escrito em "Roxe de Sebes", um memorando de divagaçons entre Novoneyra e Thoreau. O ensaísta compostelano exerce de analista do mal-estar da sociedade contemporánea em Votos de Riqueza onde pretende mostrar a brecha existente entre o consumo compulsivo e compensatório e a soledade da existência desconectada. Exerce também de cinéfilo atento e de espectador de produtos artísticos e exposiçons várias. Compostelano de naçom, I. C. pertence à categoria do galego-em-madrid, como Carlos Taibo ou como Fermim Bouça, ou como tantos outros, como eu mesmo, e em tempos mais remotos como Rosalia e Murguia. Citadinos todos em processo mais ou menos bem-sucedido de assimilaçom, transterrados também quase sempre. Todo galego-em-madrid guarda o seu Roxe de Sebes privado. O ensaísta compostelano exerce de analista do mal-estar da sociedade contemporánea em Votos de Riqueza onde pretende mostrar a brecha existente entre o consumo compulsivo e compensatório e a soledade da existência desconectada Nom é tarefa doada resumir a obra em curso de Ignácio Castro, tam fragmentária e aberta como o húmus filosófico em que vive: o da filosofia posterior aos mestres da suspeita e a denúncia, Marx, Nietzsche, Freud. A sombra por eles projectada tem hoje umha tonalidade fragmentária e jovialmente niilista que mal oculta o mal-estar de raiz. As Pontes com o dianho pode servir de abordagem à escrita poliédrica e fragmentária de Castro. Trata-se dumha colecçom de doze entrevistas onde o autor deambula polas suas ideias a perguntas de doze entrevistadores competentes e em mais dum caso incursos em manifesta cumplicidade intelectual. Abriu o debate em Bendanha como era previsível a secçom da audiência mais interessada no debate de ideias, entre eles Marcos Lorenzo, um dos entrevistadores do livro, e Roberto Abuim de Axóuxere Editora, que tem em catálogo um dos ensaios de Castro. Foi Abuim quem formulou a aguda interpretaçom do estranho título da obra. O dianho que nele aparece nom seria outro que o daimom grego, que alude tanto à índole individual de cada quem como ao lado escuro do real. Um pleno. O dianho que nele aparece nom seria outro que o daimom grego, que alude tanto à índole individual de cada quem como ao lado escuro do real Tal como eu vejo, as aproximaçons intelectuais de Ignácio Castro apontam a dous espaços de sentido: a análise do mal-estar da cultura e a socialidade e o convite a umha retirada à nossa singularidade solitária. Crítica Castro o insidioso domínio do poder que nos circunda e propom em voz baixa a retirada do ego desconcertado e acolhedor ao refúgio mais íntimo. Os mestres da suspeita prolongados até hoje na estirpe dos Foucault como itinerário inevitável, os haiku de Novoneyra como meta implícita. O encapsulamento na bocha digital em que estamos instalados, que nos conecta e nos isola do universo social circundante, é uma metáfora recorrente para designar o estado de sítio em que nos mantenhem instáncias superiores O encapsulamento na bocha digital em que estamos instalados, que nos conecta e nos isola do universo social circundante, é uma metáfora recorrente para designar o estado de sítio em que nos mantenhem instáncias superiores: o Estado, o Mercado, a Técnica, , o Consumo, o Progresso. O ego acaçapado que resiste é o contraponto necessário. Como fazer coexistir ambos? Essa foi a pergunta. Ignácio respondeu que mediante o uso alternativo de ambas as duas maos sem que saiba a direita o que fai a esquerda como a velha sabedoria aconselhava. Talvez nom seja tam fácil. Quero celebrar a subtil conjura de jovens editoriais marginais empenhadas em editar cavilaçons de jovens filósofos para leitores de toda idade Casualidades. Nesse mesmo fim-de-semana fum ver ao cinema o filme Ex machina que me prendeu por vários motivos, algum musical. O protagonista fica encerrado numha bocha virtual que o conduzirá a um paraíso de sílice que prolonga a sua existência de carbono. Levava eu no bolso nesse momento um livrinho que estava a ler: Deus ex machina do também "jovem filósofo" galego Antom Fernández de Rota, o qual explora várias linhas argumentais de Ignácio Castro e abre outras mais. A editorial que edita este opúsculo filosófico é a mesma que publicou Sociedade y barbarie, a Editorial Melusina. Demasiadas coincidências para umha só semana, pensei. Quero celebrar a subtil conjura de jovens editoriais marginais empenhadas em editar cavilaçons de jovens filósofos para leitores de toda idade. O revoltalho de incertezas e ansiedades que nos rodeia quase o demanda.
NOS_49843
Antes da aparición das grandes organizacións aglutinadoras da resistencia guerrilleira, como a Federación de Guerrillas de León-Galicia (1942) e o Ejército Guerrillero de Galicia (1946), existiu no país unha longa historia de resistencia armada entre os anos 1936 e 1940. Ao tempo que se libraba a guerra civil, grupos de fuxidos que sobreviviron mercé ao apoio popular deron tamén a batalla na retagarda franquista, e constituíron a base sobre a que posteriormente apareceron as organizacións guerrilleiras.
A resistencia ao golpe militar xerou os primeiros grupos de fuxidos na Galiza, que se foron desprazando desde os ámbitos urbanos até zonas periurbanas primeiro, e máis arredadas despois, para fuxir da brutalidade da represión. Só en zonas de forte influencia esquerdista, como Ferrol, A Coruña ou Vigo, existiron militantes clandestinos actuando no ámbito urbano de orixe. As actividades destes grupos tiveron mesmo un corte ofensivo: velaí emboscada tendida por antifascistas de Vilagarcía a unha columna de castigo a fins de xullo de 1936, ou a sabotaxe da Campsa na Coruña o 16 de setembro de 1936. Na Coruña, superviventes do vizoso anarcosindicalismo local ―apoiados ás veces por militantes comunistas― teceron distintas redes clandestinas para levar a cabo fuxidas por vía marítima, tentativas de levantamentos en cuarteis, reorganización dos grupos anarquistas e difusión de propaganda clandestina. A súa actividade xerou a fins de decembro de 1936 unha significativa petición ao xeneral Mola para o envío de policía secreta á Coruña, Vigo e Ferrol (Jaspe, A.; 2009); e o incremento da actividade policial orixinou numerosas caídas e a progresiva desaparición daquelas estruturas clandestinas. Os apoios dos resistentes galegos Malia as informacións triunfalistas da prensa da zona leal sobre unha guerrilla comandada por Manuel González 'O Fresco', nin o Goberno republicano nin as organizacións antifascistas tentaran tan sequera estabelecer contacto ou proporcionar armamento e axuda loxística aos resistentes galegos. A pasividade do Goberno republicano pode explicarse pola súa desconfianza nas iniciativas populares, acentuada a conta dos debates sobre a militarización, en que os sectores influídos polo PCE, partidarios da visión militarista e da guerra de frontes, triunfaron sobre os sectores encabezados pola CNT, que defendían as milicias organizadas baixo o pulo popular nos primeiros tempos da guerra. As partidas foron consolidándose en zonas de difícil acceso (O Galleiro, Eume, Valdeorras, O Bolo, Ancares, Serra do Faro, raia seca ourensá, Serra do Xistral), desenvolvendo unha estratexia defensiva de asalto a tendas e reitorais para conseguir armas, alimentos e roupas axeitadas e, de cando en vez, realizar sabotaxes (Máiz, B.; 1988 / Abad, X.; 2005). Os incipientes grupos de fuxidos non renunciaron a meter o medo no corpo a represores e delatores, de tal xeito que entre 1936 e 1940 coñecemos unha vintena destas accións, maiormente nas contornas de Vigo e Ferrol, na zona de Valdeorras e no norte da provincia de Lugo. A guerrilla aínda en formación supliu aos poucos a súa falla de orientación política, carencia de organización e coordinación, gañando en cohesión e capacidade de resistencia. A primeira guerrilla confórmase desde unha base popular e autoorganizada segundo a súa experiencia, variadas identidades locais e diversidade ideolóxica, e non polas directrices orgánicas de ningún partido ou sindicato Os grupos de refuxiados medraron pola incorporación de mozos que desertaban ou fuxían das levas forzosas, chegando a ocupar algunhas zonas do territorio galego: desde 1938 houbo na zona de Casaio-Carballeda de Valdeorras asentamentos alentando o que despois se chamará "Cidade da Selva". Con todo, a maioría das partidas elixiron un modelo de resistencia popular baseado na convivencia nos pequenos núcleos de poboación, cuns enlaces aos que lles unían vínculos de confianza e afinidade antifascista (Martínez López, F.; 2000); neste eido, é de salientar asemade a presenza feminina, quer de xeito moi minoritario como integrantes das partidas, quer como indispensábeis protagonistas da acollida nas vivendas rurais. Por parte do réxime, en non poucas ocasións a actividade destes fuxidos se confundiu de xeito interesado coa de pequenas bandas de delincuentes comúns, que xa actuaban no período republicano. Ao cabo, o descontento sobordara o grupo dos opositores políticos á sublevación, atinxindo outros sectores sociais, descontentos polas requisas de alimentos, as limitacións á pesca, o traballo forzoso, a escaseza de subsistencias, as levas militares ou os excesos represivos das novas autoridades. Daquela, mesmo antes de rematada a guerra, a retagarda dos sublevados na Galiza ficaba lonxe de estar pacificada e sometida. Unha guerrilla de base popular O maior problema dos fuxidos eran a precariedade da infraestrutura operativa (casas-refuxio, enlaces…) e a escaseza de armas e municións. Só algunhas partidas paliaron en certa medida esta escaseza mediante roubos aos somaténs locais ou coa chegada de fuxidos ben armados e con notábel formación política tras a caída da fronte asturiana no inverno de 1937. Así, sen apoio do Goberno republicano, as partidas medraron e as actividades dalgúns grupos de fuxidos foron tomando un cariz máis ofensivo e compartido, incrementando as expropiacións e represalias, especialmente a partir de 1937. Foise ademais tecendo progresivamente un nobelo de relacións entre os grupos que actuaban en zonas lindeiras, de maneira que na altura de 1940 xa existía unha delimitación básica dos territorios de cada grupo e certo coñecemento mutuo entre eles no norte das provincias da Coruña e Lugo, na extrema lucense e ourensá con León e Zamora, no centro e no sur ourensán (cos seus agochos tras a raia portuguesa) e na contorna de Vigo, Val Miñor e O Condado, aínda que neste caso moi diminuídos pola presión dos franquistas. Xurdía así unha guerrilla conformada desde unha base popular e autoorganizada segundo a súa experiencia, variadas identidades locais e diversidade ideolóxica, e non polas directrices orgánicas de ningún partido ou sindicato. Nin o Goberno republicano nin as organizacións antifascistas tentaran tan sequera estabelecer contacto ou proporcionar armamento e axuda loxística aos resistentes galegos Un bo exemplo foi a temperá (novembro de 1938) formación do Comité Chapaieff entre os fuxidos do Ortegal ―o chamado Grupo Neira― e doutras zonas, conformando unha das partidas máis ambiciosas, cuxa actividade atinxiu a Costa da Morte ou A Ulloa enlazando co grupo inicial de 'Foucellas' e con 'Curuxás' (Pons Prades, E.; 1977); aínda así, hai fontes que sinalan que non foi até o verán de 1939 en que o grupo pasou á ofensiva, con expropiacións e ataques a varias casas reitorais de Ortigueira e Monfero. Probabelmente os grupos máis activos nos anos da guerra foron os do sueste ourensán fronteirizo co Bierzo e A Cabreira, potenciados pola incorporación de combatentes de Asturias, pola ancoraxe popular das esquerdas, pola osmose con outras partidas bercianas e zamoranas e por factores xeográficos como a orografía da zona e a proximidade da fronteira portuguesa. A raia foi utilizada en múltiples ocasións como base de operacións e, ás veces, de colaboración con redes de contrabando e recrutamento dalgúns enlaces de nacionalidade portuguesa, dado o apoio veciñal sustentado nas afinidades socioculturais entre as comunidades arraianas. O fracaso en xullo de 1940 da tentativa de fuga masiva de escapados (entre eles 'Gafas', De la Parra, Girón, 'Tameirón', Abelardo Macías… ) que tentaron desprazarse desde as súas bases de retagarda de Vinhais até Porto ou Lisboa para se embarcar a Latinoamérica, desbotou calquera outra posibilidade que non fora coordinar e fortalecer as partidas, organizando a guerrilla con criterios políticos de unidade antifranquista dentro da súa pluralidade. Unha guerrilla vizosa con 65 grupos activos As confrontacións armadas e a reorganización política dos fuxidos preocupaban ás autoridades franquistas e salazaristas, provocando movementos de tropas e forza pública na Galiza e Portugal, chamando asemade a atención da diplomacia estranxeira. Xa na data temperá do 7 de xullo de 1937 o comandante militar de Ourense pedía a volta a Ourense dos 180 gardas civís que foran enviados á fronte de Madrid, para combater os grupos de fuxidos do sueste ourensán (Heine, H.; 1980). Logo, no devalo da contenda foi trasladada a esta zona unha bandeira da Legión e, pouco despois, un Tabor de Regulares, considerándose zona de guerra o territorio comprendido entre Valdeorras, O Bolo, El Bierzo e La Cabrera Alta, centralizándose as forzas especiais en Ponferrada. O armamento dos somaténs e o reforzo dos destacamentos da Garda Civil no interior da Galiza foi significativo, reorganizándose tamén a Columna de Operaciones de Ourense en catro sectores ao mando do capitán Eulogio Limia Pérez, reputado experto en contrainsurxencia. Valdeorras foi xa desde entón zona de confluencia da guerrilla do noroeste da Península Ibérica e epicentro do seu ámbito de intervención, que incluía asemade a Terra de Trives, O Courel, Quiroga e a Terra de Lemos. Ao longo de toda a xeografía galega pódese contabilizar no período 1936-1940 o bulir de 65 grupos guerrilleiros, dos que continuaban en activo 35 na altura de 1940, cunha estimación de case 250 combatentes. Nese ano e no anterior, producíronse un mínimo de 122 accións planificadas polos guerrilleiros na Galiza (53 delas en Ourense, 28 en Pontevedra, 27 na Coruña e 14 en Lugo) entre axustizamentos, sabotaxes e accións económicas, así como 51 enfrontamentos derivados da intervención da Garda Civil, milicias e/ou do Exército (25 en Ourense, 5 en Lugo, 7 en Pontevedra e 14 na Coruña). Pola contra, as actividades iniciais, como as tentativas de reorganización clandestina, as fuxidas por mar ou os levantamentos urbanos en cuarteis e asonadas en unidades da armada sublevada esmoreceran progresivamente. Nas agrupacións armadas deste novo tempo, incorporáronse unha importante porcentaxe dos fuxidos que desde os anos da Guerra Civil estiveran nos montes de toda Galiza; de feito, no inicio da década dos 40, nesta guerrilla primitiva estaban xa a maioría dos dirixentes que protagonizarán os combates na primeira metade da década: 'O Gafas', Neira, Víctor García 'Dente de Ouro', De la Parra, Girón, 'Foucellas', 'Curuxás', Abelardo, Mario de Langullo, Abelardo Macías, 'Tameirón'… Unha vez rematada a contenda, a guerrilla galaica tentou ocupar un territorio xa transitado en anos anteriores. Mesmo naquel intre contaba con incipientes contactos co exterior: con grupos antisalazaristas do Norte luso, co "Deuxièume Bureau" francés e coa Delegación do PCE en Portugal (á súa vez ligada á dirixencia exiliada en México, Cuba e na Arxentina) en concreto, asegurando ademais distintos pasos de fronteira por toda a raia seca portuguesa. As bases para unha nova fase, concretada na creación de organizacións estábeis arredor de obxectivos claramente políticos, estaban dadas. Porén, ficará sempre en pé a dúbida do que puidese pasar se a "Federación de Guerrillas de León-Galicia", o "Ejército Guerrillero" de Galicia, ou outras formulacións semellantes tivesen existido nos anos da Guerra Civil. Un tempo no que, insistimos, o panorama distaba moito da interesada visión dunha Galiza entregada aos sublevados apenas sen loita e afervoadamente franquista.