ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_27205
Banesco recibiu @s representantes sindicais nunha xuntanza que todas as partes definiron como "cordial". A nova propiedade deixou a porta aberta a paralizar o ERE, que afectara uns 350 traballadores. Mais, iso si, este tema terá que ser negociado coa UE.
Un mes despois de que Banesco se fixese con Novagalicia Banco (NGB), a nova propiedade recibiu á representación sindical dos e das traballadoras da entidade financeira, representación que pedira esta reunión hai semanas. O obxectivo dos sindicatos era, principalmente, tratar sobre o novo ERE que afecta a 350 empregad@s. E neste tema, segundo recoñecen presentes na xuntanza, o propio presidente de Banesco, Escotet, deixou aberta a porta á "posibilidade" de suspender a aplicación dese expediente de regulación de emprego. Eis o vaso medio cheo. O medio baleiro: que esa posibilidade ten que ser negociada con Bruxelas. Así pois, a UE terá a derradeira palabra neste tema. Viaxar a Bruxelas Cómpre lembrar que a venda de Novagalicia a Banesco nun proceso de poxa acelerada aínda non foi autorizada pola UE e nas vindeiras semanas os novos donos viaxarán a Bruxelas para ratificar a operación. Iso supón, tamén, negociación duns novos requisitos e condicións que a Unión Europea podería fixar á propiedade. Ademais, aínda fica por definir o proceso de integración entre NGB e o Etcheverría (o banco de Banesco no Estado español) que debería, segundo cálculos dos propios donos, estar concluída neste trimestre. E cunha nova dirección e unha folla de ruta a negociar con Bruxelas. Preferentes Aínda que anunciaron unha solución en noventa días para os afectados polas preferentes que aínda non concretaron, desde Banesco non se concretou como se fará isto. E hai por volta de 500 millóns de euros por devolver
NOS_33438
Os planteis feminino e masculino das equipas coruñesa e estradense disputan este sábado en Maastricht un campionato no que toman parte equipas de diferentes partes do continente.
O fútbol gaélico en Galiza non para de aumentar, non só en número de clubs e deportistas senón tamén en nivel competitivo e recoñecemento internacional. E todo isto en apenas sete anos, desde o nacemento da primeira equipa en Galiza desta disciplina deportiva, os coruñeses Fillos de Breogán. Precisamente este club vai ser un dos dous que represente Galiza esta fin de semana na European Champions Cup2017 que se desputa en Maastricht. O outro é Irmandinhos da Estrada. Ambos os dous cos seus planteis masculino e feminino (nesta categoría Irmandinhas van nun combinado con Madrid). A European Champions Cup 2017 é, afirman Fillos de Breogán, a máxima competición europea de fútbol gaélico, e reunirá na cidade holandesa 50 clubs e 650 xogadores procedentes de todo o continente, de Galiza a Bretaña, pasando por Italia, Alemaña ou Polonia, entre outros. As Fillas de Breogán quedaron encadradas no grupo A e mediranse fronte a Holanda, Múnic e Paris coas que procurará o pase para desputar o título final. No grupo B estará o combinado Irmandinhas / Madrid con Béxica, Renns, Berlín. Pola súa banda, o cadro masculino está formado por catro grupos e 12 equipos. No grupo 3 Fillos terá como riváis a Rennes e Viena, e o cadro está completo por Luxemburgo, Irmandinhos da Estrada e Jersey no grupo 1, París, Berlín e Ámsterdam no grupo 2 e Madrid, Bélxica e Varsovia no grupo 4.
NOS_23220
"Son un vello rabudo e sigo tendo as mesmas ideas, cada vez máis rotundas", dixo esta cuarta feira, antes de recoller un galardón na Facultade de Historia da USC.
O histórico dirixente nacionalista e ex profesor catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Xosé Manuel Beiras recibiu esta cuarta feira o Premio Luís Porteiro Garea, por mor do seu labor de defensa do idioma propio na súa faceta universitaria. "Son un vello rabudo e sigo tendo as mesmas ideas, cada vez máis rotundas", asegurou, en declaracións previas á entrega deste galardón, nun acto no que mostrou a súa profunda "emoción" e tivo especiais palabras de agradecemento para o seu discípulo Xavier Vence, tamén catedrático de Economía Aplicada e ex portavoz nacional do BNG. Beiras, que recorreu ao seu "afrancesamento" para mostrar que vive désabusé [desilusionado], rexeitou calquera volta á primeira liña política. "Son moi consciente de que aos 86 anos sería case grotesco que eu tentase ter calquera tipo de participación persoal activa, xa non digo de protagonismo, do que é necesario facer por este país", contestou ao ser preguntado por se, no marco das súas recentes aparicións mediáticas, estaría a barallar retomar o protagonismo. ENTREVISTA | Xosé Manuel Beiras: "Vexo posíbel unha alternativa ao PP para 2024" Con todo, reafirmouse nas súas crenzas políticas e na necesidade dun traballo "en dúas claves": en clave "de esquerda", para "defender as maiorías sociais fronte ás oligarquías", e en clave de "reivindicación do idioma". A lingua propia, motivo precisamente do galardón, advertiu que despois de "40 anos de autonomía ou autoanemia" —parafraseando neste último caso a Pilar García Negro— a "defensa do idioma é feita por organizacións cidadás" como A Mesa pola Normalización Lingüística, citou. Así, lembrou que o Estatuto recolle que a lingua propia é o galego, que é cooficial co español, algo que atribuíu a que é "a lingua do Estado, mentres exista". Xa durante o seu discurso no acto que tivo lugar na Facultade de Xeografía e Historia e que presidiu o reitor da USC, Antonio López, Beiras afirmou que, para el, o uso do idioma propio na universidade "non foi un esforzo especial, senón natural", debido a que recibiu educación e tivo acceso a libros desde mozo en galego. Xosé Manuel Beiras, Camilo Nogueira e Ana Pontón, xuntos na presentación do documental sobre os 40 anos do BNG "Iso marca, iso convérteche nun ser insólito e nun privilexiado, desde o punto de vista de identificación do país", remarcou, tras lembrar que a Castelao xa o puido ler con trece anos. Beiras, que repasou algúns episodios da súa infancia e vida adulta, e mesmo de cando se embarcou na fundación do BNG, tivo ocasión de reencontrarse co propio Vence e con outras persoas coas que compartiu batalla política no seo da formación nacionalista, como o tamén profesor universitario Carlos Aymerich, quen foi tamén portavoz parlamentario do Bloque.
NOS_14240
O rei emérito español usou unha mercantil panameña controlada por 'homes de palla' para ocultar presuntamente un depósito que estivo operativo até 2016, segundo desvela 'El Confidencial'. Con este descubrimento, as dúas regularizacións fiscais do emérito non son válidas e poden recibir unha denuncia da Fiscalía
O rei emérito español tivo un depósito no banco andorrano Andbank durante dez anos, de 2006 a 2016. A conta controlábase a través dunha sociedade mercantil panameña chamada Stream SA, tal e como desvela El Confidencial esta terza feira. Dita sociedade disolveuse hai pouco máis dun mes, o pasado 4 de maio. Con este descubrimento, as dúas regularizacións fiscais do emérito non son válidas e poden recibir unha denuncia da Fiscalía. As pescaudas do fiscal Yves Bertossa chegaron até Andorra seguindo as investigacións sobre a Fundación Zagatka - que pagaba as viaxes privadas do rei e que se usaba para cobrar presuntas comisións-. A investigación tributaria sobre o Borbón, que até agora só se baseaba nos activos ocultos do emérito en Xenebra,levou os investigadores a Andorra. Detectaron unha transferencia da fundación Zagatka, que debía acabar en Stream SA, en Panamá, mais que se dirixiu a Andorra. A conta de Andorra podería ser clave no entramado que supostamente tiña organizado Juan Carlos I para atesourar o seu diñeiro fóra do Estado español Trátase de 150.012,18 euros que saíron da conta suíza da Fundación Zagatka o 19 de maio de 2008 con destino Stream SA, mais ese importe, segundo un documento, non chegou nunca a Panamá senón que se enviou a Andorra, por orde de Arturo Fasana, un dos homes de palla do rei. A conta de Andorra podería ser clave no entramado que supostamente tiña organizado Juan Carlos I para atesourar o seu diñeiro fóra do Estado español. Os investigadores cren que a sociedade panameña usábase como pantalla para despistar e ocultar sobre a súa conta de Andorra. Este novo descubrimento volve situar en primeira liña a situación do rei emérito español, que desde mediados do ano pasado permanece fóra do Estado español.
NOS_21789
PP e PSOE suspenden a xuntanza convocada coas demais forzas políticas na que procuraban a adhesión doutros grupos ao seu pacto sobre a UE. O soberanismo rexeitou a oferta mentres que Izquierda Plural avanzou que rexeitaría o acordo
"O máis difícil está feito" porén, "hai que maduralo máis". Así reaccionaron desde o Partido Popular após anunciar a suspensión da xuntanza que esta quinta feira convocaran os dous partidos maioritarios nas Cortes españolas e á que estaban convidadas as demais forzas políticas. Após rexeitaren o convite as forzas nacionalistas (CiU, PNV, Amaiur, ERC, Bloque) e advertir o grupo da Izquierda Plural que rexeitarían o acordo, PP e PSOE obtaron por desconvocar a xunta. O bipartidismo --que tenta recuperar a política do pacto-- ficou só no primeiro intento por procurar a adhesión de outros grupos con representación ao seu primeiro acordo que, previsibelmente, será sometido a votación no Parlamento español o vindeiro 25 de xuño. As forzas nacionalistas censuraron un pacto "precociñado" que din é "ambiguo" e continuísta coa política de recortes e medidas anti-sociais "Só perseguen unha foto para reactivar o bipartidismo" BNG, ERC e Amaiur rexeitaron o convite a un pacto "precociñado" que consideraron parte das "manobras do bipartidismo". A portavoz do Bloque no Congreso español, Olaia Fernández Davila asegurou que a súa formación non asistiría á xuntanza xa que "teñen todo amañado e acordado", denunciou, ao tempo que rexeitou seren chamadas para "que rubriquemos un documento no que non tivemos ningún tipo de participación". As formacións políticas minoritarias criticaron con dureza o pacto entre PP-PSOE e censuraron que o contido do texto achegado por ambos os dous partidos sexa "un brinde ao sol" baleiro de contido "ambiguo" e continuísta cunha política de recortes e "medidas anti-sociais". Un documento, salientaron desde o BNG "absolutamente economicista" que mesmo "acredita no actual sistema económico causante da crise".
PRAZA_8412
O Bloque aposta por poñer en marcha "un poroceso social de contestación moi amplo" en colaboración coas centrais sindicais tras o primeiro encontro de Xavier Vence coa CIG
Aínda non hai datas, pero si axenda. Unha vez pasada a XIV Asemblea Nacional e coa nova dirección conformada, o BNG disponse a abordar un dos retos expostos polo seu novo portavoz nacional, Xavier Vence, antes e despois de ser elixido: os contactos co resto das forzas nacionalistas do país, tanto as xurdidas de escisións do propio Bloque como as que xa desenvolvían a súa actividade á marxe da formación frontista. Tras iniciar coa CIG outra rolda de conversas, as que o xuntarán cos principais sindicatos que operan en Galicia, Vence admitiu, a preguntas da prensa, que agarda que os contactos cos demais grupos políticos do especto soberanista e nacionalista comecen "cedo". "Non temos aínda datas, estámolas axendando", di Vence, quen pon o acento especialmente en que o xeito de concorrer ás eleccións europeas de 2014 non é o primeiro asunto a tratar nestes encontros. "Hai problemas moito máis importantes, non motivados por citas electorais", explica o nacionalista, en referencia a cuestións como o proceso soberanista que o propio Bloque sitúa como prioritario nas súas teses políticas ou asuntos máis vinculados ao impacto da crise económica no país. É diso do que se vai "empezar a falar". "Hai problemas moito máis importantes que as citas electorais" e diso "imos empezar a falar", di Xavier Vence A crise económica e o seu impacto estivo tamén sobre a mesa na xuntanza deste venres entre Vence e o secretario xeral da CIG, Suso Seixo. Tras este primeiro encontro -haberá máis- o portavoz nacional do BNG evidencia que a súa formación e a central sindical nacionalista "comparten diagnóstico" e tamén a visión de que cómpre "que a sociedade reaccione, poñer en marcha un proceso social de contestación moi amplo" ante os recortes e ante unha política económica "ao servizo da banca especulativa". O BNG, di Vence, ten en conta a "importancia da actividade sindical" e da propia "existencia" do sindicalismo "nacionalista e de clase". No mesmo sentido, Seixo aposta tamén pola "acumulación de forzas" de cara a novas "mobilizacións", porque os procesos de recorte e "precarización" da actividade laboral "non van parar aquí", como amosa, di, casos como a quita ás persoas afectadas polas participacións preferentes. Neste contexto, explica en resposta aos xornalistas, parte da preocupación da CIG está tamén en casos como o de Pescanova, cuxa entrada en concurso de acredores escurece o panorama para o seu persoal. Tamén o BNG se amosa "moi preocupado" ao respecto, máis aínda, di Xavier Vence, cando nin o propio consello de administración da compañía ten á súa disposición toda a "información contable".
NOS_49056
Xosé Iglesias (Cee, 1974) é poeta e mariñeiro, patrón e armador do buque Primero Vilar na Coruña. A súa obra xira ao redor do seu amor ao mar, como acontece co seu último libro Nacións mar (Editorial Bululú, 2021). Iglesias participa na colección Relatan... Nós co texto A morte das Noctilucas, centrado tamén na contorna mariña e os problemas que ten na actualidade. Sobre estas cuestións reflexiona en conversa con Nós Diario.
A súa achega á colección Relatan... Nós semella unha reflexión persoal sobre a súa profesión.Afortunadamente ou desgrazadamente pertenzo á Galiza ancestral mariñeira, algo que vivín intensamente desde pequeno e que construíu en min esas raíces para chegar até o que son: un patrón de pesca mariñeiro. Non é nada casual e síntome tremendamente orgulloso de que, cando se fale de remo ou arado, proa e rella, as miñas mans, o meu corpo, a miña suor estean totalmente amarradas e firmes á nosa tradición e a un dos nosos oficios máis intensamente galegos. Por iso, teño presente sempre o mar, porque del vivo, como viviron os meus antepasados. Por iso teño que contalo, porque o quero, e porque non sei outra forma de vivir que non sexa esta. Alertan de verteduras de graxa na costa de Camariñas Introduce a nostalxia dun mundo que xa non existe. Teriamos que dar "marcha atrás", dalgunha maneira, para recuperalo?O mundo avanza e nós temos que ir con el, iso está claro. Non se nos ocorrería voltar ao Gran Sol a pescar co sextante como único instrumento náutico para obter a nosa situación, nin as nosas redes xamais volverán ser de algodón. Hai cousas que por moito que nós queiramos facelas ben, como andar co regulamento en redes, horarios e peixes…. están a mudar por si soas. Como é o tema do cambio climático e o cambio de pH nas augas mariñas. Teríamos que paralizar o mundo enteiro para que o dióxido de carbono deixase de acumularse nos océanos. En xeral creo que os mariñeiros galegos estamos bastante concienciados e que queremos un futuro para as vindeiras xeracións. Pero está claro que é un futuro moi incerto, e bastante afasttado daquela Galiza onde xa desde terra se divisaban as croas de sintolas, ou a ribeira estaba chea até os topes de ourizos mariños, por dicir dous exemplos. Falta concienciación da xente e das Administracións na situación actual do mar?Lembro cando comecei a traballar no mar de pequeno. Cando mudaba o patrón o aceite do motor, este ía directamente ao océano. Tamén o lixo dos nosos pesqueiros. Hoxe en día isto sería unha loucura. Ninguén sae a traballar para contaminar o seu medio de vida, senón que o que se procura, ante todo é coidalo. Traendo para terra as redes vellas, as nasas que xa non serven, tirando pola borda especies ovadas e pescando con mallas que non collen peixes inmaduros. Debería ter esa sensibilidade a Administración mais todo o que fai e pór atrancos e máis atrancos no noso camiño. Os pescadores agardarán a reunirse co Ministerio de Pesca para decidir sobre o amarre total da frota Debería loitar por conseguir cota de peixe para os nosos barcos, mais as cotas son cada vez máis pequenas e as frotas artesanais están atadas de pernas e mans. Se realmente importara este sector estratéxico para a nosa economía debería loitar máis por el. Menos inspeccións e máis axuda. Nós saímos ao mar para traer alimento para a humanidade e creamos indirectamente 10 postos de traballo en terra por cada barco. O que está a acontecer realmente é un despropósito ante un pobo mariñeiro que quere seguir vivindo do mar. O meu futuro é o que comento no meu relato Que futuro agarda ao mar e á súa profesión?O meu futuro é o que comento no meu relato. Máis sombras que luces. Aí está esa nova lei de control de pesca na que queren impornos a cada embarcación un dispositivo xeolocalizador e un programa informático para enviar as capturas antes da chegada a lonxa. Para naseiros, bateeiros, mariñeiros, mariscadores e dorneiros. Isto, xunto á suba das temperaturas da auga do mar, a falta de relevo xeracional, a xa de por si durísima profesión que é a nosa, os prezos do peixe que non teñen nada que ver na lonxa co que marcan nas peixarías e supermercados…. un caldo de cultivo para unha tormenta que pode derivar nun futuro cheo de barcos de recreo nos portos e a nula existencia de mariñeiros profesionais neles.
NOS_38095
As concentracións denuncian o desmantelamento do sistema público de pensións e destacan que o o 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo.
O 17 de novembro xubilados e pensionistas mobilizanse en sete cidades de Galiza na defensa do sistema público de pensións, do poder adquisitivo e polo dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao SMI. O Colectivo de Xubilados e Pensionistas da CIG acordou iniciar unha campaña en base a estas reivindicacións perante as novas cada vez máis frecuentes que advirten da viabilidade futura do sistema público de pensións. Denuncian que as reformas das pensións e da Seguridade Social, aprobadas polo PSOE e polo PP, "dificultan cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, rebaixan as contías de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación". Esta última reforma das pensións executada polo PP elimina a referencia do IPC para o incremento das pensións e promove un duro recorte que pode reducir até nun 20% as pensións futuras, "sobre as mentiras do aumento da esperanza de vida". Lembran, ademais, que case o 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo, aumentándose a diferenza negativa. Así, en Galiza a pensión media está máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado español. Tamén se refiren á "discriminación das mulleres nas pensións contributivas por unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización, que xunto á feminización das pensións non contributivas, fai que 1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos estea baixo a liña da pobreza".
NOS_23987
Segundo @s populares, a proposta parte "de premisas falsas". Desde a comisión promotora advirten que non van quedar parad@s e que "denunciarán os incumprimentos da Xunta en Bruxelas"
A Iniciativa Lexislativa Popular para a aplicación en Galiza dos principios de reutilización, redución e reciclaxe foi vetada polo Partido Popular esta segunda feira. Os votos do grupo maioritario impediron a súa toma en consideración e, polo tanto, non será tramitada pola Cámara galega. Embora contase co aval de máis de 20.000 persoas, a ILP foi rexeitada polo Partido Popular argüíndo que esta parte "de premisas falsas" e bate contra a incineración como "modelo de valorización enerxética" dos residuos. Daniel Varela, que exerceu de portavoz do grupo popular na quenda de intervención das forzas políticas, loubou a actual xestión de residuos promovida desde a Xunta de Galiza e asegurou que a incineración é unha "medida ambiental necesaria" que, aliás, "complementa" os principios que motivaron a ILP debatida na sesión plenaria. A Comisión promotora denunciará na Comisión europea os incumprimentos da Xunta na xestión de residuos Desde a Comisión promotora da iniciativa aseguran que os argumentos do PP "son falsos" e que "non imos quedar parados". María Lafuente afirmou, en conversa con Sermos Galiza, que acudirán ás insititucións comunitarias para denunciaren "os incumprimentos" da Xunta de Galiza en materia de xestión de residuos, sendo que o executivo galego "non está a cumprir coa lexislación" vixente. O deputado popular Daniel Varela defendeu a incineración como "medida complementaria" á reciclaxe e "necesaria" no tratamento de residuos Malia os dados achegados polo representante da Comisión promotora, Manuel Soto, que poñen en cuestión boa parte dos argumentos empregados polo PP para defender o seu rexeitamento, o deputado popular dixo discrepar "no fondo e na forma" da iniciativa por entender que non é acaído "facer unha lei para cumprir a lei". Porén, desde o grupo promotor salientaron que a iniciativa visaba "darlle forza xurídica a aspectos que as leis actuais non teñen". María Lafuente desmontou o argumentario defendido polo Partido Popular, nomeadamente a idea repetida até a saciedade polo deputado Daniel Varela. "Dixo que Sogama promove a valorización enerxética", indicou Lafuente, "mais non é certo" pois "Sogama gasta máis enerxía da que envía á rede", sentenciou. Desde a Comisión promotora advirten dos prexuízos da incineración para a saúde das persoas e denuncian "os incumprimentos" da Xunta na xestión de residuos Desde a Comisión promotora denuncian que o PP "terxiversou" a información durante o debate parlamentar ao afirmar que a incineración xera postos de traballo e rendementos económicos. Porén, o movemento ecoloxista ampárase nos dados para contrarrestar a teoría 'popular'. "Se ollamos proxectos como a recollida porta a porta desenvolvida en Guipuzkoa", apunta María Lafuente, "o plan de reciclaxe custa 183 millóns de euros" en troca, a incineración --acrecenta-- "400 millóns" e "non xera máis postos de traballo, o contrario destrúeos". Neste senso, apuntan, de se apostar por plans de reciclaxe e compostaxe na Galiza poderíanse crear "2000 postos de traballo directo". Actualmente, a planta creada na comarca do Barbanza dá "10 veces" máis emprego que Sogama. Algo que desde a Comisión promotora consideran "debe terse en conta" perante as taxas de desemprego actuais. Mais tamén, sinalan, deixa ver que "o futuro non está na incineración".
NOS_50006
A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou a iniciativa en rolda de prensa, reclamando que se restabeleza o pago das mensualidades atrasadas: uns 400 euros ao mes para garantiren a supervivencia.
Unha proposición non de lei demandándalle ao Goberno que prorrogue indefinidamente o Plan Prepara, dirixido a parad@s de longa duración e sen recursos. Davila lembrou que o día 15 remata a vixencia deste plan, e a tal hora non se sabe nada sobre a súa continuidade: hai oito días, Rajoy afirmou perante os medios non ter unha decisión tomada. Con todo, a deputada sinala que a presión social comeza a facer efecto, e apunta ás campañas de varios grupos políticos e centrais sindicais como a razón de que "no día de onte responsábeis políticos do PP falasen da posibilidade da súa prórroga". Afirma que para o seu partido é "ineludíbel" manter a axuda dos 400 euros, e fala de 600.000 persoas afectadas por esta prestación, "o único ingreso económico que hai en núcleos familiares nos que xa non traballa ninguén". O BNG critica os requisitos que se exixen para cobrar esta prestación: defenden a ampliación da idade de persoas suxeitas á posibilidade de cobrala, e tamén a ampliación da contía económica, "para acoller a máis persoas". Tamén insistirá en que o Goberno "recoñeza a cobertura sanitaria a todos os cidadáns e cidadás do Estado, estean de alta ou non na Seguridade Social", referíndose tanto á exclusión d@s inmigrantes en situación irregular como a das persoas "que nunca cotizaron ou que perderon a súa condición de cotizantes á Seguridade Social". Lembrou os informes da ONU que critican as medidas do Goberno do PP e o empobrecemento da poboación que están a provocar: un 21,8% dela está no limiar da pobreza, dentro do que hai "unha parte moi importante con dificultades para sobreviviren". Salientou que 1,7 millóns de parad@s non cobran ningunha prestación por desemprego, e cualificou de "vergoñento" que o goberno acceda a tomar medidas que afectan a aquelas persoas que en peores condicións están para sobrevivir". Falou do asalto a un supermercado para expropiar alimentos e repartilos, por parte do Sindicato Andaluz dos Traballadores, como unha acción que "o BNG non vai apoiar", pero si "recoñecer como un feito que ocorre pola gravísima situación que están vivindo moitísimas familias". "Para evitar este tipo de situacións, o goberno ten que actuar atendendo a esas familias en situación de precariedade, de desvantaxe social".
NOS_51502
Por treitos horarios, o prezo máximo da luz para esta sexta feira darase entre as 21 e as 22 horas, mentres que o mínimo será entre as 17 e as 18 horas.
O prezo medio da electricidade coa tarifa regulada sitúase esta sexta feira nos 324,2 euros o megawatt/hora(euros/MWh) —incluíndo os custos de comercialización, peaxes e outros cargos, isto é, o prezo real sobre a factura—, segundo os datos publicados no día de hoxe por Rede Eléctrica de España. Por treitos horarios, o prezo máximo da luz para esta sexta feira darase entre as 21 e as 22 horas, con 392,76 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 281,05 euros/MWh, rexistrarase entre as 17 e as 18 horas. Esta sexta feira o prezo medio do 'pool' —prezo base que negocian as compañías produtoras e comercializadoras de enerxía— é de 231,25 euros/MWh. Deste modo, sobe 24,2% a respecto do prezo medio desta quinta feira, segundo datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). 2021 fechou como o ano máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros/MWh debido á espiral alcista rexistrada no 'pool' no segundo semestre. En comparación con hai xusto un ano, o prezo do 'pool' para esta sexta feira será 147,2% aos 93,67 euros/MWh do 8 de xullo de 2021. Por outra parte, o prezo medio do mes de xuño foi de 211,8 euros/MWh, uns 24 euros superior ao prezo de abril, que foi de 191,52 euros/MWh, e case 100 euros por baixo de marzo, que deixou o rexistro máis elevado da historia (283,3 euros/MWh).
NOS_16670
O arquitecto urbanista Iago Lestegás fecha a serie de análises que 'Nos Diario' publicou durante os meses de abril, maio e xuño.
As árbores son as grandes esquecidas das nosas vilas e cidades. Malia os múltiples e acreditados beneficios que ofrecen a un custo perfectamente asumible, a súa presenza é anecdótica na maioría das rúas e prazas, que adoitan ser tan duras e tan grises. No medio dunha grave crise ambiental e con episodios cada vez máis frecuentes de calor extrema, moitas voces reclaman cubrir de árbores as áreas urbanas, onde xa vive máis da metade da poboación mundial. As árbores melloran a calidade do aire urbano, pois absorben gases de efecto invernadoiro As árbores son aliadas imprescindibles na loita contra o cambio climático e contribúen de moitas formas ao noso benestar, ademais de proporcionaren alimento e protección para outros seres vivos. Melloran a calidade do aire urbano, pois absorben gases de efecto invernadoiro, reteñen partículas contaminantes e liberan o osíxeno que respiramos. Unha árbore pode capturar ata 150 quilos anuais de CO2, principal causante do quentamento global, mentres a protección que ofrece a súa copa e mais o efecto da súa transpiración sobre a humidade ambiental suavizan a temperatura. As árbores grandes de folla caduca proporcionan sombra no verán e deixan pasar as raiolas de sol no inverno, cando tamén reducen a velocidade dos ventos fríos e mitigan o efecto das xeadas. Ben situadas arredor dos edificios, diminúen o consumo enerxético para climatización ao longo do ano. Plantadas en bandas de largura e densidade suficientes, amortecen o ruído emitido por vías de comunicación ou instalacións industriais. Saúde física e mental As árbores e as superficies permeables sobre as que se erguen tamén teñen efectos positivos no ciclo da auga. Os pavimentos impermeables que cobren a maior parte das áreas urbanizadas impiden que a choiva penetre no terreo, incrementando as escorras, sobrecargando os sumidoiros e aumentando o risco de inundación. As árbores, pola contra, moderan o impacto das trombas sobre o chan, facilitan a infiltración da choiva no terreo, contribúen á recarga dos acuíferos, reducen os custes de tratamento da auga e diminúen a probabilidade de danos materiais e persoais derivados de inundacións. As súas raíces reteñen o terreo incluso en zonas con forte pendente, reducindo o risco de desprendemento de terras no caso de choivas intensas. Debemos incrementar axiña o número de árbores urbanas para nos protexermos dos efectos do cambio climático Ademais, existe ampla evidencia científica dos efectos positivos das árbores sobre a nosa saúde física e mental. Un estudo publicado en 1984 por Roger Ulrich na revista Science sinala que o postoperatorio dos doentes dun hospital de Pennsylvania que gozaban de vistas á natureza dende os seus cuartos transcorría mellor e máis rápido que o doutros pacientes cuxas fiestras daban a un muro de ladrillo. Numerosas investigacións relacionan a presenza de árbores nas rúas e prazas das cidades cunha menor incidencia de obesidade, diabetes, hipertensión, asma e múltiples doenzas psicolóxicas propias da vida moderna. De feito, os médicos xaponeses prescriben baños de bosque ou shinrin-yoku contra a ansiedade, a depresión, o estrés ou o insomnio. Investir en árbores urbanas é, sen dúbida, investir en saúde pública. Atractivo e identidade As árbores grandes protexen as zonas peonís das intrusións dos coches e teñen unha importante función estética. Enmarcan, realzan e complementan a beleza de monumentos e conxuntos históricos, disimulan a tristura de moitas rúas e prazas modernas e definen espazos abertos aptos para a convivencia. É tan notable o seu efecto positivo no atractivo dos lugares que varios estudos sobre urbes europeas e norteamericanas demostran que a proximidade das árbores incrementa o valor das propiedades inmobiliarias e os ingresos do comercio local. O seu papel na construción de identidades colectivas tamén é destacable e algunhas árbores son iconas das súas cidades, como a oliveira centenaria de Vigo, que figura no escudo municipal. Melloraríanse moito os barrios construídos nos últimos 60 anos plantando neles árbores e deixándoas medrar ata daren sombra e ofreceren os seus múltiples beneficios. Nas nosas rúas e prazas hai moi poucas e con frecuencia son demasiado pequenas, malviven aprisionadas en furados diminutos rodeados de asfalto, carecen de coidados adecuados ou son mutiladas regularmente por podas brutais e inxustificadas. O seu papel na construción de identidades colectivas tamén é destacable e algunhas árbores son iconas das súas cidades Debemos incrementar axiña o número de árbores urbanas para nos protexermos dos efectos do cambio climático. Nun día de calor, a diferenza de temperatura ambiental entre unha rúa sombreada polas copas de árbores maduras e outra situada a pleno sol pode acadar os 10 graos. É fundamental, en calquera caso, escoller coidadosamente as especies para garantir que son aptas para o emprazamento e que non xeran problemas para as persoas alérxicas, priorizando árbores autóctonas adaptadas ao clima do lugar, situándoas correctamente para maximizar os seus beneficios e plantándoas de xeito que poidan prosperar sen danar os pavimentos nin as instalacións.
NOS_35465
Despois da Assemblea Nacional celebrada en Molins de Rei (Barcelona) as Candidaturas d´Unitat Popular (CUP) decidiron concorrer ás eleccións ao parlamento catalán do 25-N. A lista dos independentistas de esquerda en Barcelona estará encabezada polo xornalista David Fernández.
O adianto electoral obrigou a acelerar o proceso asambleario polo que as Candidatures d´Unitat Popular chegan agora á toma de decisión de se apresentar ás eleccións do 25-N. Unha ve finalizado o proceso asambleario no que a CUP calcula que participaron arredor dun milleiro de persoas, a organización independentista pechou o proceso aprobando as liñas xerais do seu programa ademais das persoas que serán cabezas de lista polas catro provincias. Ademais de David Fernández, Antonieta Jarne en Lleida, Jordi Martí en Tarragona e Lluc Salellas en Girona encabezarán as listas da fomación que se presentará co nome de Candidatura d´Unitat Popular-Alternativa d´Esquerres, fórmula coa que buscarán sumar apoios de colectivos e movementos sociais. Será esta a primeira vez que se presenten a unhas eleccións ao parlamento catalán. A Candidatura converteuse nas eleccións municiapais na sexta forza política en Cataluña polo número de sufraxios obtidos, acadando 101 actas municipais máis catro alcaldías. Con eses resultados na man máis o medre do independentismo, o anuncio de Mas de adianto electoral animou un debate que xa se estaba a dar na formación asamblearia de base local concluíndo agora na decisión de se presentar ás o 25 de novembro. A CUP defínese como organización política asamblearia nacional, que ten como obxectivo un país independente, socialista, ecoloxicamente sostíbel, territorialmente equilibrado e contrario ás formas de dominación patriarcal. Móstranse protagonistas no crecimento do independentismo en Cataluña e teñen vontade de seren actores de iniciativas populares que se encamiñen cara a ruptura co estado español.
PRAZA_2381
O BNG traballa "decididamente" nas primarias de Iniciativa pola Unión e Yolanda Díaz (EU) entende que o Bloque "desbota" así chegar a unha "posición común". CxG decide que non concorrerá aos comicios se non hai unha lista única.
As forzas de esquerda galega van pechando os seus camiños de cara ás xerais. Logo de apelacións dun e doutro lado para a confluencia nunha única candidatura das formacións rupturistas e nacionalistas, uns e outros defínense e afástanse case de vez desa lista única. O BNG anunciou este sábado tras celebrar o seu Consello Nacional que traballa "decididamente" inserido na plataforma Iniciativa pola Unión (IxU), mentres que Yolanda Díaz, coordinadora nacional de EU, entende que o Bloque "desbota a posibilidade de chegar a unha posición común" para as xerais porque "xa están en marcha" unhas primarias en IxU, as mesmas nas que a fronte nacionalista insta a unha participación "masiva". O BNG aclara que traballa "decididamente" con Iniciativa pola Unión e Yolanda Díaz (EU) cre que o Bloque "desbota" chegar a "unha posición común" Ao tempo, Compromiso por Galicia (CxG) levou a cabo unha convención na que a súa militancia decidiu que o partido non concorrese finalmente ás eleccións ás Cortes se non hai lista unitaria e que se dese liberdade aos seus membros para apoiar unha candidatura. Gañou así a opción defendida por Rafael Cuíña, alcalde de Lalín. Antes, no entanto, a forza galeguista buscará a unidade até a última hora. Antes, Xavier Vence, voceiro nacional do BNG, recoñeceu que as posibilidades de confluencia entre as dúas plataformas e os partidos que se apoian nelas estase esgotando e, malia que insistiu na "disposición de dialogar" da súa formación", destacou a necesidade "dun grupo parlamentario propio" galego e "non sucedáneos", en referencia ás declaracións de Podemos. "Non con mensaxes para construír grupos parlamentarios para garantir a unidade de España, que é o que defendeu o señor Errejón, pero si queremos sumar con todas as forzas, con todos os cidadáns que desde Galicia queren consruír unha candidatura galega para ter un grupo soberano", dixo. CxG decide que non concorrerá ás eleccións xerais se non hai unha lista de unidade, pola que pulará ata última hora Así, o Bloque participa con militantes a título individuais en IxU, que xa abriu o prazo de inscrición para votar nas súas primarias. Ademais, Vence dstacou que aformación traballa en diferentes aspectos do programa e da candidatura para facer as súas achegas a unha plataforma na que participan outras seis forzas e que "está aberta" a outras organizacións para lograr unha "voz potente, soberana, para defender os intereses do país e camiñar decididamente para a soberanía". Por outra banda, o voceiro nacional do BNG asegurou que a súa formación apoiará candidatos propios pero tamén independentes para unha candidatura da que xa hai rumores de denominación: Nós-Candidatura Galega. Díaz cre que se o BNG non desbota unha lista unitaria debería "paralizarse" o proceso de primarias de Iniciativa pola Unión Mentres, Yolanda Díaz, tamén vicevoceira de AGE, cre que o BNG xa "desbota" calquera posibilidade dun acordo amplo. "Se non é así, o normal sería que parlizasen ese proceso [en referencia ás primarias de IxU] e que agardásemos a definir se somos capaces de concitar a unidade entre todos", dixo, tras asegurar que "algunhas forzas de esquerda non están a enender a mensaxe que quere a cidadanía". Durante a mobilización das Marchas da Dignidade, Díaz tampouco descartou totalmente a unidade, pero si que "os que se desagreguen, os que non queiran estar, terán que explicar á cidadanía deste país por que razón non". "Ata o minuto menos un podemos chegar a un acordo e poñer os intereses dos galegos e galegas no centro da actuación política", insistiu tras poñer de exemplo a AGE e advertir de que "a suma multiplica". Convención de CxG Por outra banda, na convención de Compromiso, nas votacións, a opción de concorrer nunha candidatura de formacións cos centros de decisións en Galicia obtivo o 12% dos votos na primeira volta, na que gañou a opción de non presentarse (49%), mentres que o apoio ao proceso iniciado polo Encontro Cidadán por unha Marea Galega quedou no 39%. Na segunda volta, o 60,9% dos votos optaron por non presentarse e o 38% optaron polo Encontro. Así, CxG aclara que "seguirá a apostar de forma proactiva e ata o último segundo, como leva a facer nas pasadas semanas e meses, pola integración das dúas propostas de candidatura galega de unidade". "Se finalmente esta posibilidade desaparece definitivamente, o partido non se integrará en ningunha das dúas candidaturas e pedirá xenericamente o voto para aquelas que recolleren os nosos principios programáticos para as eleccións xerais aprobados pola Convención Nacional, dando liberdade á súa afiliación para apoiaren, a título individual, e de forma que consideraren oportuna, calquera delas".
NOS_15688
En 2009, no retorno do PP á Xunta, había na Galiza 201.300 empresas. Tres anos e medio despois hai 194.500. A destrución de empresas superou a media estatal.
Máis de 6.700 pequenas e medianas empresas disolvéronse na Galiza entre 2009 e 2012. O mandato do PP de Núñez Feijóo, que sempre fixo do tecido empresarial a base do seu discurso para crear emprego, supuxo a maior destrución de sociedades da historia da Galiza. A un ritmo de cinco por día. A crise é responsábel, si, mais a liquidación de empresas no país foi a un ritmo moi superior ao estatal. Xa o Consello Económico e Social alertaba en 2010 que na Galiza se disolvían 33 empresas por cada 100 sociedades constituídas. "É unha cifra alarmante. Son medianas e, sobre todo, pequenas empresas. O tecido que representa o sostén da economía real e produtiva, máxime nun lugar como este, con tanta dispersión. Que desaparezan as pequenas empresas e negocios en pequenas localidades supón un golpe mortal para esas vilas". Quen así fala é Tomás Suárez, que vén de ter que botar o peche nun negocio familiar tras catro décadas en activo nunha localidade da comarca do Sar. Sen luz no túnel Un total de 1.449 empresas disvolvéronse na Galiza entre xaneiro e setembro de 2012, segundo os datos da consultora D&G. Isto supón un incremento do 26 por cento no número de firmas que pasaron por este proceso, entrementres a media a nivel de Estado español está no 17%, case dez puntos menos. Comercio, construción e inmobiliarias foron os sectores en que máis empresas desapareceron nestes últimos meses. Eidos onde a crise económica bate con especial intensidade. Nestes nove meses os concursos de acredores que se presentaron en Galiza foron 385, o que supón un incremento do 49% en relación ao mesmo período de 2011, 20 puntos máis que a media do Estado español, onde o aumento foi do 28%. O número de empresas que se declararon en quebra na Galiza durante o primeiro trimestre de 2012 foi de 138, segundo datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estadística (INE). Destas, as relacionadas coa industria (33) e construción (39, das cales 23 se centraban na edificación e promoción inmobiliaria) son as máis numerosas entre as insolventes. Tamén destacan as 23 clasificadas como "comercio por xunto". No outro extremo sitúanse sectores como agricultura e pesca.
NOS_24430
A plataforma cidadá Gure Esku Dago defende a "lexitimidade" destas consultas populares, organizadas por máis de 2.000 persoas voluntarias.
Urnas e papeletas están prontas para que este domingo, 19 de marzo, máis de 150.000 veciños de 35 concellos vascos poidan votar sobre se desexan un país independente ou ben que este continúe dentro do estado español. É a segunda vaga de referendos que decorre en Euskal Herria nos últimos meses, após a que se realizou en 32 municipios en xuño de 2016 e que deu como resultado un amplo apoio á opción independentista. Daquela votaran 37.000 persoas neses referendos, o 95% a favor da independencia. Desde 'Gure esku dago', a plataforma impulsora destas consultas, informouse que máis de 2.000 persoas voluntarias participan no proceso que vai decorrer en comarcas como Hernani, Tolosaldea ou Larrebetzu. Uns referendos que teñen o apoio de concellos e tamén das xuntas xerais de Gupizkoa. Desde EH Bildu e PNV chamouse a participar netsas consultas polo dereito a decidir, destacando a importancia de que a veciñanza de Euskal Herria poida ter voz e voto sobre o futuro do seu propio país.
NOS_45025
Ferrovial propón un novo parque eólico de 500 MW de potencia fronte á costa da Mariña.
Os proxectos de eólica mariña non dan tregua na Galiza. Vén de coñecerse a intención da empresa madrileña Ferrovial de erguer un parque de 495 megawatts fronte á Mariña. A nova solicitude, que se suma ás catro anteriores, aumenta os temores do sector pesqueiro. Ferrovial é un dos grandes xigantes madrileños do sector das infraestruturas. A compañía, propiedade da familia Del Pino Calvo-Sotelo, acaba de presentar diante do Ministerio de Transición Ecolóxica unha solicitude para levantar un complexo de enerxía eólica mariña fronte as costas mariñás. O proxecto, denominado Celta I, dáse a coñecer antes de que o Executivo do Estado aprobe definitivamente o Plan de ordenación dos espazos mariños (POEM). Porén, fontes coñecedoras da proposta sinalan a Nós Diario que o desenvolvemento de Ferrovial localízase en zonas recoñecidas de uso eólico no anteproxecto do POEM. A proposta de Ferrovial é o quinto proxecto de eólica mariña impulsado na costa galega. Os dous primeiros deles, San Brandán e San Cibrao, están promovidos por Ibredrola fronte ás costas da Mariña e Ortegal, prevendo unha potencia total instalada de 900 megawatts. Precisamente na costa de Ortegal, Cobra, unha compañía segregada do grupo ACS, propiedade de Florentino Pérez, propón erguer 68 aeroxeradores de eólica mariña, cunha potencia total de 1.000 megawatts. Asemade, as mercantís BlueFloat Energy e Sener solicitaron unha autorización para pór en marcha baixo o nome de Nordés unha instalación de enerxía eólica mariña cunha capacidade de xeración de 525 megawatts na costa do golfo Ártabro. O sector do mar ve o lobby eólico detrás de determinadas decisións das institucións comunitarias que afectan a pesca galega. O primeiro en denunciar esta cuestión foi o presidente da Asociación de Arrastreiros de Ribeira, Ignacio Vázquez, quen na mobilización convocada nesta localidade o pasado 8 de outubro contra o veto da Comisión Europea á pesca galega, sinalou que nos últimos anos apareceron nas zonas nas que traballa a frota galega "outros operadores con intereses enerxéticos" que, engadiu, "teñen un poder de negociación e de financiamento" superior ao da pesca. "Usan informes do lobby eólico", denuncia Vázquez Vázquez, en declaracións a Nós Diario, afirma que "a patronal eólica é un dos principais lobbies da Unión Europea" e destaca que "hai un desequilibrio evidente entre o poder de negociación do sector pesqueiro e do lobby eólico". A este respecto, sinala que "a Comisión Europea está tomando decisións que afectan a pesca en base a informes elaborados polo propio lobby eólico, até o punto de que determinados informes científicos aparentemente neutros son financiados por estas compañías". Asemade, asegura que "as dificultades para o sector comezan no momento da integración na UE" e que "o problema está en que somos pequenas empresas e non multinacionais". O voceiro da Plataforma en defensa da pesca e dos ecosistemas mariños, Torcuato Teixeira, comenta a Nós Diario que carece de probas para afirmar que detrás do último veto á pesca da Comisión Europea está o sector eólico, "pero do que non teño dúbida é de que hai un interese claro de retirar do mar a frota pesqueira para ir abrindo camiño a outras actividades como a minaría subacuática ou a eólica mariña". Teixeira, cuxa entidade nace para defender os intereses do complexo pesqueiro fronte a eólica mariña, denuncia que "no sector non hai información de como vai afectar o POEM a determinados segmentos de frota como o palangre, o arrastre ou a volanta". "Hai un lobby de presión da eólica", di Pérez Sieira O presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez Sieira, considera que "están a atacarnos porque hai un lobby de presión da eólica interesado en botarnos de determinadas zonas de pesca para poder destinar esas augas a usos enerxéticos". Explica a Nós Diario que "algúns dos parques de eólica mariña en proxecto na Galiza localízanse nos nosos mellores caladoiros, como acontece co parque de San Cibrao, que afecta a zonas de pesca como Praia nova ou a Selva".
NOS_25342
Por outra banda, Londres e Bruxelas chegaron a un acordo en materia de competencia, unha das principais eivas par chegar a un acordo antes do 31 de decembro.
O Pleno do Parlamento Europeo deu hoxe luz verde ao orzamento comunitario para o período entre 2021 e 2027, dotado con 1,074 billóns de euros, que se desbloqueou a semana pasada despois de Hungría e Polonia recibiren garantías sobre como se vincularán os fondos ao cumprimento do estado de dereito. O orzamento plurianual contou con 548 votos a favor, 81 en contra e 66 abstención. A regulación inclúe tamén unha folla de ruta para a introdución de novos recursos propios de cara a alimentar o chamado marco financeiro plurianual da UE. Esta dupla aprobación deixa o camiño expedito para que os Estados membros inicien a ratificación nos seus parlamentos da lexislación que permitirá á Comisión Europea emitir débeda e financiar o fondo de reconstrución pos-pandemia, que ascende a 750.000 millóns de euros e non require da aprobación do Parlamento Europeo. Bruxelas calcula que o diñeiro non chegará aos Estados polo menos até xuño de 2021 porque, unha vez ratificado o fondo, terá que emitir a débeda para financialo e aprobar os plans de recuperación a nivel estatal. Lixeiros incrementos Tras dous meses de longas negociacións entre a presidencia alemá do Consello e os negociadores do Parlamento Europeo, o acordo final contempla varios incrementos fronte ás cifras que acordaran os Estados membros na histórica reunión de xullo. En concreto, trátase de aumentos de 16.000 millóns de euros para programas como o Erasmus (2.200 millóns máis), o de ciencia e investigación Horizonte (4.000 millóns), os de xestión de fronteiras (1.500 millóns) ou o programa de saúde Health4EU (600 millóns), entre outros. O incremento, reclamado polo Parlamento para engrosar programas que consideran clave, fica por baixo dos 39.000 millóns que pedían na última proposta, mais é superior aos perto de 10.000 millóns que ofrecera o Consello Europeo inicialmente. Relacións RU-UE Por outra banda, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, sinalou onte que malia as dificultades para lograr a tempo un acordo co Reino Unido que evite un Brexit duro dentro de dúas semanas cre que os últimos contactos abriron un camiño cara ao acordo que, aínda que "é estreito, está aí". Nas últimas horas Bruxelas e Londres lograron pactar unha das principais eivas para o acordo, un mecanismo que garantirá a adopción de represalias comerciais se unha das partes entra en competencia desleal.
NOS_50004
Nunha entrevista concedida ao informativo de mediodía de RNE na Galiza, o delegado do Goberno español detallou o impacto desta medida aprobada para combater os efectos da pandemia.
O delegado do Goberno español na Galiza, Javier Losada, informou este domingo, 18 de outubro, de que a nómina abonada polo Estado aos traballadores afectados por Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) nas empresas galegas suma desde abril a setembro 450,7 millóns de euros. Nunha entrevista concedida ao informativo de mediodía de RNE na Galiza, Losada detallou o impacto desta medida aprobada para combater os efectos da pandemia no mercado laboral. Asi, explicou que o Servizo Público de Emprego abonou entre abril e setembro 616.953 prestacións correspondentes aos ERTEs aprobados para empresas galegas. Por provincias ─a división que fai o Estado español do territorio galego─, a nómina destas prestacións na Coruña superou os 190 millóns de euros; en Lugo abonáronse 36,3 millóns; en Ourense, a nómina ascende a 41,6 millóns e na provincia de Pontevedra foron 181,9. A respecto da evolución mensual dos perceptores e as contías, estes conceptos discorreron en paralelo á evolución da pandemia. Así, Losada detallou que "en setembro había 42.172 traballadores en ERTE na Galiza, 76% menos que no mes de abril, cando alcanzamos o pico de perceptores contabilizando 176.060". E sobre as cantidades abonadas, mentres no mes de abril o SEPE abonou por este concepto 145,1 millóns de euros, a nómina de setembro foi de 20,8 millóns. De novo debullado por provincias, do total das prestacións abonadas o pasado mes de setembro, o maior número localizouse na Coruña, cunha contía de 9,6 millóns a 18.330 persoas. Séguelle Pontevedra, onde o importe das nóminas ascendeu a 7,2 millóns para 10.710 persoas, mentres que moi por baixo desa cifra atópanse Ourense e Lugo. A primeira, fechou setembro con 4.597 traballadores en ERTE que recibiron 2,16 millóns de euros, e a segunda, con 3.535 perceptores cunha contía abonada de 1,74 millóns. Ampliación das medidas O delegado do Goberno español na Galiza quixo salientar o acordo cos axentes sociais, que se traduciu na ampliación dos beneficios destes ERTE até o 31 de xaneiro a través dun Real Decreto Lei que foi convalidado polo Congreso dos Deputados na pasada quinta feira. Losada indicou que "a continuidade dos efectos da crise sanitaria provocada pola Covid-19 nas empresas e no emprego exixía unha resposta coordinada e adecuada para protexer os traballadores e as familias e así actuamos". Ademais, salientou que "con esta medida conseguimos salvar moitas empresas da extinción e miles de empregos, e o noso compromiso é continuar dando protección ao tecido produtivo mentres sexa necesario", concluíu. O sindicato maioritario na Galiza criticou en varias ocasións que se negocien prórrogas dos ERTE, "mentres seguen plenamente vixentes as reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva ou os recortes nas prestacións por desemprego e os servizos públicos".
NOS_10846
Compostela padece un retroceso é contabiliza 33 novos casos activos mentres que en Pontevedra a cifra dun só día abeira o medio centenar de persoas. Tamén en Ourense e Vigo seguen a aumentar as persoas que teñen a enfermidade.
A cifra de contaxios pola pandemia volve oscilar á alza. Así o revelan os últimos datos facilitados pola Consellaría de Sanidade, que dan como resultado un incremento de 253 novos positivos con respecto ás cifras que manexaba onte. Nas últimas 24 horas tamén houbo que lamentar 5 falecementos e hai outras dúas persoas ingresadas nas UCI galegas. Malia que se producen curacións desta enfermidade, o incremento de doentes tamén é relevante polo que entre a noite do domingo e a de onte contabilizáronse 253 persoas máis afectadas polo coronavirus. De feito tamén houbo un pequeno ascenso dos casos activos, que onte baixaban, pasado de 4.264 a 4.301. Ao falar das áreas sanitarias, a de Compostela sufriu nun só día unha nova curva na evolución para rexistrar unha subida dos casos activos. En concreto, xa son 673, 33 máis que esta segunda feira. En Pontevedra as limitacións impostas a semana pasada seguen sen dar resultados: hai 49 afectadas máis que onte, chegando así ás 552. Tamén en Ourense o número continúa a alza, mais neste caso o incremento foi de 21 persoas coa Covid-19, sumando 503. En Vigo son 373 (12 máis). No lado contrario sitúanse as zonas da Coruña e Cee e Lugo. No primeiro caso, os positivos caeron en 51 a pesar de que o entorno sexa o máis afectado (1.246). Pola súa parte, a demarcación de Lugo ten 772 pacientes, o que implica unha redución de 23. En Ferrol a caída foi só de dúas persoas. Tres dos cinco falecementos tiñan relación con centros residenciais. Un produciuse no propio xeriátrico e outros dous en hospitais e residencias integradas. O último falecido era un home de 86 anos que estaba sendo atendido no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) e que presentaba patoloxías previas que complicaron a súa evolución. Actualmente, sempre atendendo á información facilitada pola Dirección Xeral de Saúde Pública, se levan practicadas 401.119 PCR. Das galegas e galegos que teñen a Covid-19 activa 30 están sendo atendidas nas UCI e outras 200 (unha menos que onte) noutras unidades de hospitalización dos centros sanitarios do país. A inmensa maioría de afectadas, 4051, fan a corentena nas súas casas coa atención médica telefónica.
NOS_18308
O Celta xoga hoxe en Balaídos coa obriga de gañar para loitar por Europa
"Mentres hai vida hai esperanza". Pero, ollo, non vaia acontecer iso de "tanto nadar pra morrer na beira". Topicazos e frases feitas á marxe, o Real Club Celta de Vigo está nunha situación privilexiada para volver disputar unha competición europea catro anos despois, pois se ben a clasificación reflicte unha ampla desvantaxe de cinco puntos co sétimo clasificado cando quedan só nove por disputar, a ausencia de presión por conseguir un obxectivo que si resulta unha obriga para os seus rivais sitúao no mellor dos escenarios posíbeis. O seu adversario no primeiro dos tres match-ball -tomando prestada a terminoloxía do tenis- que lle queda por disputar ao conxunto celeste é un Xetafe que recibe hoxe ás 20 horas no Estadio Municipal de Balaídos. A escuadra madrileña tamén precisa dos puntos, pois está sumida nunha fonda crise que a levou de ocupar unha cómoda posición na metade da táboa a ver polo espello retrovisor como cada vez está máis preto dos postos de descenso á Segunda División. Como aconteceu este pasado domingo ante o Vilarreal, Eduardo Coudet terá que volver formar un once inicial moi condicionado polas lesións. Con Tapia e Murillo aínda descartados e Araújo sancionado, o preparador arxentino verase obrigado a artellar unha defensa de circunstancias, tendo en conta ademais que abusar dos xogadores do filial podería prexudicar a preparación do Celta B de cara á decisiva eliminatoria de ascenso á Segunda División, que disputarán este domingo ante o Athletic de Bilbao B. Mais non todo van ser malas novas, porque a evolución de Aidoo e do emblema Iago Aspas é positiva, e ambos poderían estar listos para o choque ante o Xetafe. Ademais, o equipo sacudiuse ante o Vilarreal a 'Aspasdependencia', tomando o relevo do temón xogadores como Denis Suárez, Brais Méndez ou, sobre todo, Santi Mina, quen aos seus 25 anos parece ter alcanzado por fin a madurez futbolística e está certificando a mellor campaña da súa carreira, na que leva xa 10 goles e está xa a tan só dous do seu mellor rexistro anotador, conseguido co Valencia hai tres tempadas. A canteira máis frutífera do Estado: ningún equipo conta con máis xente da casa A presenza de xogadores procedentes das categorías inferiores deixou de ser noticia hai xa varios anos no Real Club Celta de Vigo, razón pola cal resultan aínda máis relevantes os datos feitos públicos por un estudo desenvolvido polo CIES Football Observatory e que indican que o celeste é o club con máis minutos de canteiráns nas cinco principais ligas europeas, o que pon en valor todo o traballo desenvolvido coa base ao longo dos últimos tempos. Segundo este informe, no Celta participaron ao longo do que vai de tempada un total de 13 diferentes, cifra que aumentou até 14 o pasado domingo co debut ante o Vilarreal do central Carlos Domínguez. Estes canteiráns coparon 49% do total dos minutos de xogo, o que deixa o Celta medio punto por diante da Real Sociedade (48,5%) e o Athletic de Bilbao (40,6), entidades consideradas historicamente como as mellores canteiras do Estado xunto co Fútbol Club Barcelona (29,6%) e o Real Madrid (16,6%). A nivel europeo, só os franceses do Saint-Etienne (35%) se aproximan minimamente ás cifras celestes.
NOS_55664
O sentimento de abandono medra nesta comarca de 128.000 habitantes, que na última década perdeu 10% da súa poboación e cunha taxa de paro, 18%, que duplica a media autonómica de Castela e León.
O Bierzo mira para as eleccións do 13 de febreiro en Castela e León coa esperanza de que sexan "un punto e á parte" para a comarca, en palabras de Iván Alonso, concelleiro en Ponferrada e membro do Consello Comarcal do Bierzo. O Bierzo son 3.000 quilómetros cadrados e por volta de 121.000 habitantes após perder 10% da súa poboación desde que empezou o presente século. Uns anos marcados pola destrución de industria, moi ligada á economía do carbón (minas, térmicas), o despoboamento, a falla de infraestruturas e a eiva en servizos como a sanidade. "Nestas eleccións xogámonos algo histórico", explica a Nós Diario Iván Alonso, de Coalición polo Bierzo, "que por primeira vez haxa unha representación berciana nas Cortes de Castela e León". Até agora, apunta, houbo deputados e deputadas do Bierzo "mais en partidos estatais, que votan o que lles di Madrid ou Valladolid (cidade onde está o Parlamento e a Junta) e non pensando na comarca". Alonso recoñece que non vai ser tarefa doada ter representación: O Bierzo está na circunscrición electoral de León e obter un procurador nas Cortes "custa sobre 12.000 votos, cando en Soria, por exemplo, son só 6.000", lamenta. "Estamos infrarepresentados, deberiamos ser circunscrición", conclúe. "Somos os grandes esquecidos" Raúl Rodríguez Canca é o cabeza de lista ás eleccións do 13-F pola coalición 'Coalición polo Bierzo-Bierzo Existe'. "Esta comarca somos os grandes esquecidos, só hai que mirar as asignacións dos orzamentos do Estado ou da autonomía de Castela e León", manifesta a Nós Diario. "Temos unha taxa de paro de 18%, que duplica a media autonómica; infraestruturas como a A-76, o lazo ferroviario, Manzanal non van adiante; en sanidade estamos con recortes e poucos servizos; non houbo unha transición económica xusta para esta comarca..." enumera o candidato, que resume a situación do Bierzo en "hai un abandono total" por parte das Administracións. Ese sentimento de abandono é partillado mesmo por quen non se considera "bercianista", como María Arias, que afirma en conversa con este medio que votará "á esquerda-esquerda". Mais, di, "non creo que O Bierzo reciba para nada o trato que merece" e considera que este "abandono" pode explicar, ademais de ligazóns culturais e históricas, que unha parte dos bercianos e bercianas miren para a integración na Galiza como "algo desexábel, positivo". Mais ese debate non está na mesa cara ás eleccións. Si hai, porén, quen como Iván Alonso defende unha dotación de competencias maior para o Consello Comarcal do Bierzo –primeira e única comarca recoñecida como tal por CeL–,"en sanidade, gandaría...". O Consello está integrado por 38 concellos e ten certas competencias. Alonso tamén aposta pola creación dunha grande área sanitaria que inclúa O Bierzo e Valdeorras, co que se lograría unha cifra de usuarios que, indica, garantise que houbese unha boa carteira de servizos e especialidades. "Fronteira estúpida" Raúl Rodríguez chama a que o 13-F sexa un "inicio" e rematar "cun bipartidismo que nos afunde". Alonso apela a crer "no futuro do Bierzo" e tamén considera que "non podemos de costas ao Courel, Ancares ou Valdeorras" por "unha fronteira administrativa estúpida". Ampliar os dereitos lingüísticos dos 25 mil galegofalantes O número de falantes de galego no Bierzo anda polos 25.000, segundo os datos facilitados polo profesor da Universidade de Vigo e académico correspondente da Real Academia Galega, Henrique Costas. A preguntas de Nós Diario, o activista berciano Xabier Lago, portavoz de Fala Ceibe, remite as 11 demandas no campo lingüístico e cultural que o colectivo trasladou aos partidos que concorren ás eleccións do 13 de febreiro. Unhas peticións polas que instan a estas candidaturas a dar pasos para que, cando se abra a reforma estatutaria, o estatuto de Castela e León "recoñeza expresamente a lingua galega como oficial". Tamén propoñen a recuperación e legalización da toponimia galega, avances no uso do galego desde as Administracións e dotar o Consello Comarcal do Bierzo de "capacidade de iniciativa lexislativa" e competencias na cuestión do idioma, entre outras demandas.
NOS_56158
O subtipo que circula por Europa, o H5N1, non afecta as persoas.
A Xunta da Galiza confirmou esta segunda feira os dous primeiros casos de gripe aviaria detectados no país en dous mascatos localizados en Cangas, no Morrazo, e en Valdoviño, Ferrolterra. Os dous positivos neste tipo de gripe de alta patoxenicidade en aves silvestres foron ratificados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, en Madrid, segundo informou esta segunda feira a Consellaría de Medio Rural. Os casos foron postos en coñecemento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para a súa posterior comunicación na Comisión Europea, os Estados membros e a Organización Mundial da Saúde, segundo estabelece o protocolo de actuación. Trátase dos primeiros casos positivos detectados na Galiza, que corresponden aos dous mascatos, unha ave típica do Atlántico norte. O primeiro, aparecido no porto de Cangas, chegou á zona a bordo dun barco pesqueiro e foi trasladado ao Centro de recuperación de fauna silvestre (CRES) de Carballedo, en Pontevedra. O segundo caso localizouse no areal de Valdoviño e foi derivado ao CRFS de Santa Cruz de Oleiros, na Coruña. Segundo explicou a Xunta ante a aparición destes dous casos de gripe aviaria, esta variedade de mascato aniña durante o verán, con todo, a maioría dos individuos adultos permanecen mesmo despois do inverno arredor das colonias de crías. Os exemplares de menor idade migran cara ao sur en dirección a augas subtropicais ou tropicais no oeste de África. Nesta migración, segundo indica a Consellaría de Medio Rural, case non se "aproximan á costa, agás para aniñar". É por este motivo polo que a Xunta sostivo que estes dous casos detectados "non afectan o status sanitario oficial das explotacións avícolas galegas" e tampouco "implican ningún tipo de restrición de movementos para as aves e os seus produtos", nin para granxas profesionais nin para particulares. A transmisión da gripe aviaria ás persoas As Consellarías de Medio Rural e Medio Ambiente chamaron a reforzar as medidas de bioseguridade en explotacións avícolas, en especial orientadas a evitar o contacto con aves silvestres, e pediron que se notificase calquera sospeita de posíbeis casos. Porén, a Xunta asegurou que non hai constancia de que o subtipo de virus que durante o último ano está a afectar Europa teña capacidade zoonósica significativa e que, polo tanto, a súa posibilidade de transmitirse ás persoas resulta reducida. Así o indicou tamén para Nós Diario Gonzalo Fernández Rodríguez, decano de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, que explica que a subtipoloxía de gripe aviaria que está a circular por Europa é a denominada H5N1, cuxa capacidade de contaxio entre as persoas é, polo momento, nula. Segundo explica Fernández, este subtipo do virus "convive só con animais" mais advirte que cómpre "controlalo para evitar que se contaxien animais domésticos e, de suceder, é importante notificalo canto antes para tomar medidas e evitar que o virus poida ter contacto coas persoas" a través destes animais. Con todo, o decano asegura que "o virus en si non é problemático, mais é preciso tomar medidas para evitar danos maiores". O risco está na posibilidade de mutación do virus O decano de Veterinaria da USC, Gonzalo Fernández, indica a Nós Diario que esta vertente do virus conta "cun perigo potencial, xa que a gripe aviaria pode mutar en gran medida" e advirte da urxente necesidade de "controlalo para evitar que o virus circule e poida supor implicación de maior relevancia". Se ben aínda non existe ningún contaxio humano da gripe aviaria na Galiza, Fernández indica que se "está traballando para evitar ese posíbel risco futuro".
NOS_30274
O BNG volveu defender que os cidadáns galegos se beneficien de ser unha potencia en produción de enerxía e o presidente da Xunta acusa os nacionalistas de querer que "haxa unha tarifa para As Pontes e outra para Ferrol".
A condición de Galiza como produtora de enerxía e que iso poida repercutir en beneficios para o país e a sociedade galega volveu estar presente nunha sesión de control ao presidente da Xunta. A portavoz do BNG, Ana Pontón, lembrou que en Galiza soportamos os custos ambientais e sociais de producir enerxía e non tiramos beneficios desa condición de produtores. Criticou que en plena crise haxa en Galiza 190.000 persoas en situación de "pobreza enerxética" mentres as grandes eléctricas tiveron beneficios superiores aos 50.000 millóns de euros. Pontón propuxo ao presidente da Xunta adoptar medidas que redunden en beneficio da poboación. Así, propúxolle aprobar antes do verán unha lei en Galiza que prohiba cortes de luz e de gas aos fogares, así como atinxir un "acordo de país" polo que as concesións hidroeléctricas que hai no país e que van caducar "retornen ao dominio público" e non que continúen en mans das grandes empresas. Feijóo, nas súas quendas de resposta, non se pronunciou sobre estas cuestións. Dirixíu a súa intervención a criticar que os nacionalistas defendan unha tarifa propia para Galiza, pois iso levaría a que cada territorio tivese unha tarifa distinta. "Cada comunidade tería unha. E despois que? Unha distinta nas Pontes que ten unha central que en Ferrol, que non a ten?". Financiamento En Marea realizou unha pregunta directa a Feijóo: por que a Xunta optou nestes anos por se financiar recorrendo a bancos e mecanismos privados en vez de facelo a través de mecanismos públicos. "A opción escollida pola Xunta levou a un sobrecusto para as arcas galegas de varios millóns de euros, un diñeiro que nestes anos era máis necesario para investir en servizos e en necesidades da xente", manifestou Luis Villares, portavoz parlamentar de En Marea Villares puxo o exemplo de que Galiza acudiu ao financiamento privado con tipos de xuro do 6,1% cando nesa mesma altura o tipo de xuro no Fondo de Liquidez Autonómica (FLA) andaba no 3,2%, polo que sería moito máis barata esta segunda vía. Núñez Feijóo dixo que a Xunta non recorreu ao FLA "pois non estabamos intervidos", condición que Villares negou que fose precisa para se financiar a través deste mecanismo público. De por parte, Xaquín Leiceaga (PSdeG), falou na súa quenda da importancia do emprego público, criticando o papel do goberno galego a respecto da convocatoria de oposicións. Feijóo aproveitou a súa resposta para afirmar que, "se todo sae como está previsto", as oposicións convocaranse en abril e os exames realizaranse en xuño.
PRAZA_4442
Pregúntenlle a Rajoy. Verán que só van pasar cousas boas se o fan. Incluso pode ser que se sintan xornalistas e todo.
Cada vez que Rajoy comparece diante da prensa (Rajoy real ou Rajoy teleplasmático) infórmase de que non se aceptaron preguntas, que foi unha rolda de prensa sen quenda de preguntas, que o presidente leu un texto e que logo marchou. Esa realidade alucinante e de desprezo á opinión pública convive con outra máis reciente, pero igual de tristeira, como é o feito de que algúns partidos xa lle mandan ao telexornal o corte exacto da noticia para que se emita tal e como eles queren que se emita. As teles, que queren aforrar, hai ben de tempo que non envían xornalistas nin cámaras aos mítines, aceptando a selección de declaracións e imaxes (nas que o candidato sae perfecto e indubidablemente intelixente) facendo así, en troques de comunicación, propaganda pura ao servizo de quen paga. Esa realidade alucinante e de desprezo á opinión pública convive con outra máis reciente, pero igual de tristeira, como é o feito de que algúns partidos xa lle mandan ao telexornal o corte exacto da noticia para que se emita tal e como eles queren que se emita Xa escribín un cento de veces contra desta renuncia, gravísima, das empresas xornalísticas a exercer o seu papel máis básico, que é o de informar. Nin sequera estou a falar do seu necesario labor de control ao poder ou de vixiantes (e denunciantes, chegado o caso) da ética política. Falo só do máis primixenio. Informar. Contar. Dicirlle á xente o que pasa. O xornalismo máis elemental baséase nun exercicio dual de preguntas e respostas. Para dedicarse, ou máis ben, para sentirse xornalista, imaxino que o primeiro que un ten que sentir é a necesidade de facer preguntas para captar así o esencial dos asuntos dos que logo hai que falar aos lectores ou espectadores ou a quen sexa o público receptor da información. Para dedicarse, ou máis ben, para sentirse xornalista, imaxino que o primeiro que un ten que sentir é a necesidade de facer preguntas para captar así o esencial dos asuntos dos que logo hai que falar Algo tan básico, facer preguntas libre e profesionalmente, e esperar que sexan contestadas, non está a facerse. E deberíase. E de feito, pódese. Estou certo de que, se nalgunha desas roldas de prensa ás que son convocados os medios, previamente advertidos de que non se van permitir preguntas, alguén as fixese, alguén rachase co protocolario guión do medo, para preguntar, ou sexa, para exercer o xornalismo, estou segurisimo, insisto, de que habería respostas, xurdirían noticias e, o que é mellor, que se faría xornalismo. Ese oficio que, no básico, consiste en preguntar. Non en copiar, reproducir nin obedecer. Pregúntenlle a Rajoy. Verán que só van pasar cousas boas se o fan. Incluso pode ser que se sintan xornalistas e todo.
NOS_30857
No encontro decorrido na Facultade de Xornalismo (Compostela) estiveron presentes Xosé Manuel Beiras (Anova), Chelo Martínez (Cerna) ou Carlos Aymerich, entre outras persoas.
Este domingo tivo lugar na Facultade de Xornalismo da USC, en Compostela, un encontro convocado por Foro galego, o espazo impulsado entre outras persoas polo alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, para pular por unha "concentración parcelaria" na política galega de cara ás eleccións ao Parlamento do outono. Gostariamos de que todas as organizacións do ámbito nacionalista e do ámbito da esquerda nacional confluísemos Na xornada estiveron presentes Xosé Manuel Beiras, portavoz de Anova e o deputado de AGE, Antón Sánchez; Chelo Martínez e Mario López Rico (Cerna), Carlos Aymerich e Xesús Veiga (Abrente), entre outras persoas que acordaron empregar este espazo para "ampliar" as mareas de cara aos comicios de outono con "ideas en chave de país". O obxectivo é "contribuír a agrandar ese espazo, que é coñecido como espazo das mareas", sinalou en declaracións recollidas por Europa Press, Manuel Antelo. "Gostariamos de que todas as organizacións do ámbito nacionalista e do ámbito da esquerda nacional confluísemos nunha grande candidatura cun programa en común", toda vez que Foro galego, subliñou Antelo, non procura dicir a ninguén "o que ten que facer". Pola súa banda, Xosé Manuel Beiras asegurou que este espazo pode contribuír a "recuperar o deseño do nacionalismo galego". "Non é cuestión de siglas, é cuestión de principios", enfatizou.
NOS_52605
Traballadores e traballadoras deste servizo enviaron un escrito á Fiscalía de Menores criticando a sobrecarga laboral.
A portavoz de Política Social do grupo parlamentario do Partido Socialista da Galiza (PSdeG), Marina Ortega, denunciou esta sexta feira que os recortes da Xunta no servizo de protección de menores resultan "irracionais, inadmisíbeis e inasimilábeis". Traballadoras temporais de Política Social advirten da precariedade: "Temos contratos de dúas horas" Ortega presentou unha pregunta oral en Comisión Parlamentaria, após o persoal encargado deste servizo remitise un escrito á Fiscalía de Menores criticando a sobrecarga laboral deste servizo, dependente da Consellaría de Política Social. A responsábel socialista de Política Social alertou das "consecuencias gravísimas" desta situación para uns menores en situación de extrema vulnerabilidade, tanto pola falta de persoal como polo incremento de expedientes. Denuncian o "uso propagandístico" das crianzas das escolas infantís Segundo explicou Ortega, estas dúas situacións obrigan a priorizar os casos de urxencia, deixando de lado casos de menores que necesitan da atención da administración. Os propios profesionais do servizo, afirmou, "falan de dificultade, obstrución e atraso xeneralizado" no trámite dos expedientes. Contradicións da Xunta A deputada do PSdeG salientou as contradicións do Goberno galego. "Non nos vale que a Xunta diga que non hai recursos" porque, sinalou, o propio presidente, Alfonso Rueda, asegurou na sesión de control do Parlamento que si contaban con recursos para sanidade. "Se hai recursos pero non se invisten en sanidade nin nos menores vulnerables, onde se invisten?", cuestionou. A Xunta escusa os seus recortes en gasto social: "un maior gasto non significa ter servizos máis eficientes"- Ortega lamentou que o Goberno galego continúe a externalizar a xestión dos centros de menores, privatizados na súa maioría, coincidindo cun "aumento exponencial de menores tutelados pola Xunta nos últimos dous anos". Sinalou que a xestión do goberno galego situou a Galiza "nos últimos lugares das 17 autonomías no investimento de servizos sociais, tamén en canto á dependencia e discapacidade". Traballadoras sociais urxen recursos e unha "protección eficaz": máis acompañamento, menos burocracia Neste sentido, acusou a conselleira de Política Social, Fabiola García, de "non dar cabida á demanda" de recursos no servizo. Ortega sentenciou que "estes días mesmo tivemos noticia dunha discapacidade auditiva que valoraron por teléfono".
NOS_34577
Aínda que a temática do Entroido non foi unha tópica espcialmente explotada pola literatura galega, ofrecemos un percorrido por algunhas das obras que se serviron da festa como escenario ou detonante, sen esquecer o carácter máis relevante que as súas formas xogaron na renovación do teatro galego.
O Entroido súmase este ano, por mor da pandemia, ás cancelacións da vida cultural. Ante as diferentes alternativas virtuais ou caseiras propostas desde diversos sectores para manter cando menos viva a súa esencia, hoxe ofrecemos un percorrido pola súa pegada na literatura galega Malia a disrupción desta tradición e as potencialidades que podería adquirir narrativamente, o Entroido figura máis como alusión anecdótica, xeralmente de esguello. Tímidas aparicións Atópase desta maneira, curiosamente, no escenario da primeira novela contemporánea publicada en lingua galega, Maxina ou a filla espúrea (1880), na que o relato de Marcial Valladares arrincaba no medio do caos da celebración dun entroido burgués -un baile de máscaras- en Compostela, onde un dos compoñentes da "comparsa dos magnetizadores" viola e deixa preñada a Otilia, nai de Maxina, a protagonista. O autor, natural da Estrada, non debeu ser alleo ás tradicións que ateigaban de xenerais e os correos que ateigan a súa bisbarra, máis estas non transcenderon entre as súas páxinas. A festa, sen atender á súa vertente máis popular, aparece tamén desde o título na traxedia moralizante Martes d'Antroido (1925), sexto título da colección de novela breve Lar, que asinaba a coruñesa Francisca Herrera. Porén, nin se trata do galego, pois é o de Madrid. Doutra banda, a novela Na miña aldea (c. 1920), asinada co pseudónimo O Hidalgo de Monterrey polo párroco José Alonso Obregón, serve de pretexto para retratar a vivencia cotiá na aldea de Laza de finais do século XIX, lugar de nacemento do autor, na que tampouco faltan referencias do sonado Entroido. Apenas atoparemos pegadas na ficción, afastada da vertente etnográfica da investigación, até As aventuras de Alberte Quiñoi (1972), de Manuel García Barros, na que aparecen os xenerais "da Ulla" con certa amplitude. Contraposta a isto, iremos vendo aparecer breves descricións da atmosfera entroideira rural desde textos como Nos picoutos de Antoín (1955), de Leandro Carré Alvarellos ou a través da voz do Balbino de Memorias dun neno labrego (Xosé Luis Neira Vilas, 1961), que non pode gozar de festas ao gardar loito polo seu tío Braulio, polo que debe ver desde a súa casa os xenerais do Ulla. Sumarase tamén algunha peza teatral, como Progreso e andrómena de Antroido (1978), e as máscaras que se colan nalgunha Cousa de Castelao. Ou máis tarde, se ben moi lonxe da terra, a descrición de Víctor Freixanes do carnaval borgiano na Roma do século XVI en O enxoval da noiva (Galaxia, 1989). Mais se cadra unha das voces máis lúcidas en falar do Entroido é a de Emilio Araúxo. Baixo o título Tempos Serodios (Edicións do Cumio) publica en 1996 unha serie de relatos, entre os que atoparemos, por exemplo, a historia dun Felo que nas súas andainas chega a Arnuide e o acercarse co son das chocas fai tolear a unha vaca. O cineasta Carlos Velo, na súa faceta menos coñecida de escritor, reuniu en Entroido enfeitizado (publicado en Saudade, 1942), unha serie de estamapas estruturadas como unha sorte de guión cinematográfico, en 14 secuencias que describen a paisaxe e a antropoloxía galega, cunha prosa de fondo sentido poético. As formas da festa veñen moitas veces da propia lembranza. Así, Ramiro Fonte, na novela autobiográfica Os meus ollos (Vidas de infancia) (Xerais, 2003) revive no capítulo sexto, titulado "Máscaras", as diferentes formas de disfrazarse da súa infancia en Pontedeume, así como as prohibicións que existían na altura por parte do Réxime franquista. Narrativas actuais Lois Diéguez recolle o entroido en A poutada do Oso (Laiovento, 2011), unha novela realista que protagoniza o publicista Iván Marrube Soutelo, que atravesa un momento de crise persoal tras o fracaso do seu matrimonio. Nado nunha familia labrega e humilde nunha aldea do Val de Lemos, o home renega das súas raíces cando coñece a Edith, unha moza dunha clase social superior. Isto rematará producindo co tempo un conflito interior, que incorre na procura da identidade que se condensa especialmente cando Iván acode ao Entroido de Salceda e cre ver a Rosa, unha antiga namorada. Desde aquela obsesiónase por saber que foi dela, desencadeando boa parte da historia. Héctor Cajaraville compón en De remate, Premio Xerais de Novela 2015, o relato sobre unha escolma de artigos publicados polo xornalista Bieito Sanmarful, que se complementan con anotacións dunha especie de diario persoal ou correos electrónicos. Entre os feitos que reflicten a realidade da Galiza máis tradicional e actual, mesturando rexistros, trátanse temas como o do Entroido. Por outra banda, Alejandro Llovo Otero recolle en Noite de Entroido (Toxosoutos, 2009) dez capítulos con relatos en primeira persoa, de varios amigos nunha noite de entroido. Na renovación do teatro Mais foi se cadra nas artes escénicas onde o Entroido adquiriu un papel realmente protagonista, xa non só no contido, senón na propia forma. Salienta deste modo de maneira especial a obra de Roberto Vidal Bolaño, na que atoparemos diversas manifestacións do entroido, ligadas á teima na recuperación de símbolos, modos e narrativas da dramaturxia popular (diálogos de Entroido, ruadas, parrafeos, folións, coplas...), achegando unha visión "tradicional e crítica da existencia", por medio da burla, sátira, rexouba e escarnio contra os poderosos, como acontece nas Ladaíñas pola morte do meco. Nesta peza, a crítica á perpetuidade do vello poder vira sobre unha personaxe tradicional do entroido galego, o Meco, nun imaxinario ao que recorrerá tamén noutras pezas, como Antroido na rúa. Vidal Bolaño foi unha das figuras chave na conformación do novo teatro galego, profundamente enraizado nos elementos parateatrais, moitos deles vinculados precisamente co entroido. Como ten estudado José María Paz Gago en "O antroido no teatro galego contemporáneo", a presencia de elementos temáticos e parateatrais que veñen de manifestacións folclóricas como o Entroido no teatro galego contemporáneo, recollendo a temática xa presente desde Otero Pedrayo ou Castelao; alude tamén a unha práctica que emerxe con forza nos anos 70, na recuperación das fontes foclóricas e tradicionais ao Grupo Abrente, agrupación teatral vinculada á Mostra de Teatro de Ribadavia. Segue este ronsel Euloxio R. Ruibal en pezas como Labirinto da memoria. Friso contemporáneo (Toxosoutos, 2010), que se desenvolve en Compostela durante a festa do Entroido. De fondo está a inminente invasión de Iraq ou a catástrofe do 'Prestige', convertendo a guerra nun elemento central. As rúas e as prazas da cidade pasan a ser espazos de protesta, de burla, de sátira, de ludismo e de transgresión. O conxunto teatral de Ruibal, coa excepción de Azos de esguello, recolle e recrea de diversos modos varios elementos —entre eles o Entroido e o grotesco— do patrimonio folclórico tradicional galego, sen con isto ir contra o carácter experimental e vangardista. Todo o contrario. Para a cativada No eido máis urbano e internándonos na literatura para a mocidade, atopamos Marisé e o loro Ravachol, libro de María Fanjul González ilustrado por Sheila Rodríguez (Fervenza, 2017). Nel, Marisé e a súa nai atópanse en Pontevedra, disfrazadas de viúvas para participar no enterro do Ravachol. A partir de aí a nai dille que feche os ollos e trasládanse á cidade do século XIX, onde o boticario Perfecto Feijoo Poncet lles explica a historia do seu estabelecemento e do loro, así como a morte desa personaxe que desde 1985 formará parte do Entroido pontevedrés. En A Cabeza de Medusa (Xerais, 2008), Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, Marilar Aleixandre presenta unha historia que transcorre nun lugar indeterminado, que calquera adolescente pode identificar coa súa propia contorna, na que Sofía e Lupe, dúas rapazas de 18 anos, van ao baile de entroido do seu instituto e de volta á casa son violadas. Este 2021 viu ademais a luz a segunda parte do álbum ilustrado É tempo de entroido!, baixo a premisa Non pare a festa, coa que os autores Ramón D. Veiga e David Sierra poñen o foco en nos trazos diferenciais do noso entroido co gallo de divulgalo entre a cativada. Aliás, existen pezas para a rapazada focadas nesta festa. Auto de entroido, de M. Lourenzo González, editado en 1995 pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, trata en verso o xuízo do Entroido, sometido a todo tipo de acusacións e levado ante o Rei Tempo para que este proclame o seu veredicto. Outro texto teatral infantil de Teresa González Costa, O misterio da risa (Fervenza, 2011) resolve o síntoma gargalleiro coa presenza de pos de Entroido, que tal e como se informara a protagonista, empregábanse para acabar co mal humor da xente. Diana Varela Puñal fai, pola súa banda, en Arlequino Viceversa (Embora, 2013) unha peza ambientada na época do Entroido e que ten como protagonistas as integrantes dunha familia, entre filloas, orellas e disfraces. Tamén atopamos andainas de monicreques, como As xeneralas do Ulla de Titereluis, escrita por Carmen Domech, ou O entroido dos animais, de Kukas. Líricas do Entroido O Entroido é ademais unha tópica cun importante acervo na literatura de tradición oral, con cantares e desafíos ou outras coplas. Aliás do coñecido primeiro poemario de Manuel Rivas, Libro do Entroido, onde alude á festa de maneira máis ben metafórica, a tradición xorde como materia lírica en textos como Detrás na néboa o felo (Amastra-N-Gallar, 2014), de Alexandre Nerium, versos en diálogo con once fotografías do entroido do Val de Maceda que o editor, Emilio Araúxo, lle propuxo. Na mesma colección publica Araúxo a longa serie de "Felotextos", na que xa convidou a case medio cento de poetas da Galiza (Lupe Gómez, Arturo Casas, Carlos Lema, María do Cebreiro, Santiago Prol, Daniel Salgado, Luís García Soto, Anxo Pastor, Bieito Iglesias, Séchu Sende, José Manuel Bouzo Limia...) e do resto do mundo, especialmente franceses e ingleses, a escribiren arredor deste entroido. Os cadernos están dispoñíbeis na rede a través de felosdemaceda.com, para descarga de balde.
NOS_51214
Era a crónica dun abandono anunciado. Tania Sánchez, a gañadora das primarias de IU para as autonómicas en Madrid, deixa a organización e faino a apenas 4 meses dos comicios. As súas diferenzas coa cúpula da federación madrileña de IU confirmáronse como insalvábeis.
A crise de IU adquire caracteres moi preocupantes para a que aínda é a terceira forza política española, embora xa non o sexa, segundo os inquéritos publicados nos últimos meses após as eleccións europeas, entre eles o máis recente o dado a coñecer esta mesma terza feira polo CIS. A emerxencia de Podemos ten acelerado as contradicións entre o sector renovador e o nucleado arrredor do coordenador xeral, Cayo Lara. Aquel defende a converxencia coa organización liderada por Pablo Iglesias -até un ponto moi próximo á disolución e a desaparición das siglas-, en tanto que este defende que aínda hai espazo político para que o proxecto IU se presente como tal perante a sociedade. A situación de Tania Sánchez -marcada polas sospeitas que pairan sobre a súa xestión no concello de Rivas (acúsana de favorecer a empresa dun seu irmao) e pola súa relación persoal con Pablo Iglesias- hai semanas que se revelaba como insustentábel. ElDiario.Es avanzou a noticia do abandono da candidata de IU ao fío das 20.20 horas. Segundo a información do diario que dirixe Ignacio Escolar, Tania Sánchez vai fundar un novo partido desde o que procurará presentar unha candidatura de "unidade popular" nas eleccións autonómicas do 24 de maio. Fontes próximas a Tania Sánchez afirman que esta dirixente querería para as autonómicas unha fórmula similar a de Ganemos Madrid. O seu proxecto bate cun problema: Podemos xa ten decidido ir a eses comicios coa súa propia marca, sen diluíla en ningunha plataforma.
NOS_3261
Comité clínico desta terza feira, día 6.
Núñez Feixoo remitiu ao comité clínico da semana que vén para realizar unha valoración global da situación de Galiza e medir o impacto dos festivos da Semana Santa na incidencia epidemiolóxica por Covid-19. Deste modo, o comité clínico desta terza feira, día 6, servirá para iniciar un estudo da situación e axustar as listaxes dos concellos, pero haberá que esperar ao ciclo da enfermidade, é dicir, pasados un dez días, para comprobar a situación. Así o expresou nunha visita a Paderne de Allariz, na que o presidente indicou que os datos acreditan que Galiza atópase nun "momento de estabilidade" na incidencia a 14 días, "incluso baixando", e nun momento tamén de "estabilidade" na situación a sete días, o que é un indicador adiantado para saber o que pode ocorrer a semana que vén. Con todo, aínda non se coñecen os efectos da mobilidade do últimos catro días e da maior interacción social, polo que Feixoo explicou que até finais ou principios da semana que vén haberá que esperar para coñecer a fotografía que deixan os festivos en Galiza. Avanzou, iso si, que até a terza feira da semana que vén "non hai ningunha decisión importante" riba da mesa. Desta maneira, prevese un axuste dos concellos que entran ou saen nos distintos niveis de restricións, pero "non vai haber decisións de ampliación de toque de recoller", como xusto esta segunda feira defendeu o PSdeG no caso de que o permitan os datos epidemiolóxicos, ou da hostalaría. "A partir do 13 de abril, empezaremos a avaliar se é posíbel algunha mellora, tanto do toque de recoller, como de horario da hostalaría, pero iso non depende máis dos datos que vaiamos acumulando esta semana, como de balance definitivo das interaccións de Semana Santa", expuxo. Tamén sobre a apertura de Galiza, sinalou que até a semana que vén tampouco está previsto que a Xunta tome decisións de calado, o cal inclúe o pechamento perimetral -que concluiría o 9 de abril-. "Até o 12 ou 13 de abril non imos tomar decisións respecto diso, entendemos que non temos todos os datos de Semana Santa computados", aseverou. "Esta semana non hai cambios e a semana que vén, o comité clínico e o conselleiro e o Sergas, co mesmo criterio de prudencia, valorarán e farán público calquera cambio", sinalou Feixoo, quen dixo que "poden ser cambios para abrir ou para axustar zonas se os datos arroxan nalgunhas zonas que sexan malos ou hai algunha tensión nalgunha zona á alza".
NOS_56358
A sentenza xudicial non vai ter efecto ao estar xubilado o que fora presidente da Deputación de Ourense. A xustiza considera probado que 'enchufou' a 104 persoas na Deputación de Ourense.
O Xulgado do Penal nº1 de Ourense condena o ex-presidente da Deputación de Ourense a 9 anos de inhabilitación por un delito de prevaricación continuada após 'enchufar' a 104 persoas no organismo provincial. A sentenza inhabilita a Baltar para ocupar ou exercer cargo público durante nove anos. Mais a resolución ficará en nada porque José Luis Baltar está xubilado. En 2012 deixou a presidencia do organismo provincial, que pasou ser ocupada polo seu fillo. A xuíza considera probado que Baltar contratou a 104 persoas sen se acoller aos requisitos de legalidade obrigatorios. Durante a declaración no xuízo, Baltar tentou cargar esa responsabilide sobre o equipo técnico da Deputación. A sentenza é recurríbel perante a Audiencia Provincial de Ourense. En declaracións á SER Baltar recoñeceu que non esperaba esta decisión e considera que non é xusta.
NOS_58175
Até o momento realizáronse 173 probas, das cales 96 resultaron nun resultado positivo.
Un foco de coronavirus rexistrado na planta da empresa Avícola de Galiza (Avigal) no polígono de Sete Pías, Cambados, alcanza os 96 casos positivos de Covid, segundo fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Até o momento realizáronse 173 probas, das cales 96 resultaron nun resultado positivo en coronavirus entre persoas relacionadas coa empresa. Por volta duns 50 son traballadores e traballadoras da empresa e o resto contactos directos e familiares aos que se lles practicou a PCR para confirmar o contaxio. Non se desbota que esa cifra de positivos siga a medrar nos próximos días. E é que a maioría dos casos son asintomáticos ou leves, por iso é polo que a incidencia poida ser moito maior. O Sergas xa realizou o estudo de contactos dos contaxiados e en función da evolución do brote adoptaranse as medidas que procedan nas localidades da comarca afectadas, mentres que aos positivos xa se lles prescribiu a pertinente corentena. Desde a firma cambadesa explican a Diario de Arousa que sempre se cumpriu " con todos os protocolos desde semanas antes de ser declarado o Estado de Alarma". En todo caso a planta de Cambados abriu as súas portas o 17 de agosto e foi entón cando, segundo a firma, "fixéronse tests masivos a todo o persoal". O que parece constatado é que o brote na firma cambadesa está relacionado coa decisión do Comité de Expertos do Sergas de aplicar medidas restritivas en Vilagarcía. E é que moitos dos traballadores de empresa son desta cidade.
NOS_26917
O Consello de Ministras aprobou onte un Real Decreto-lei que crea un novo sistema de permisos de acceso á rede eléctrica para controlar a chamada burbulla das renovábeis e outro de poxas para o desenvolvemento de proxectos 'verdes' cuxa variábel sobre a que se poxará será o prezo da enerxía.
O Goberno español asegura que hai indicios dun eventual "compoñente especulativo" polos datos dos proxectos presentados e a súa escasa madurez, así como pola non presentación de permisos de acceso ou a falta, nun 60% dos casos, de conexión. Na actualidade o número de solicitudes suman un total de máis de 430.000 megawatts (MW), aínda que se consideran correctamente presentadas uns 295.000 MW, segundo datos do propio Executivo. Esa cifra multiplica por sete o obxectivo de ao redor de 60.000 MW de potencia renovábel no Estado fixado no Plan Estatal Integrado de Enerxía e Clima até 2030. Este é o motivo polo que aseguran que é urxente ordenar os permisos atendendo á súa viabilidade e solidez para favorecer o despregamento de enerxías limpas co obxectivo de acadar os obxectivos de que 74% da electricidade no Estado sexa renovábel en 2030 e acadar 100% antes de 2050. Na nova lei as persoas titulares deberán acreditar contar cos permisos, incluída a obtención da declaración de impacto ambiental favorábel, e a autorización administrativa de construción nos tempos fixados ou caducaranlles os permisos. Novo sistema de poxas O novo sistema de poxas de renovábeis aprobado onte terá en conta como variábel o prezo da enerxía. O lanzamento das poxas non necesitará que o proxecto de Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética reciba o visto e prace no Congreso xa que ten o camiño despexado ao incluírse nesta Real Decreto-Lei, ao entender que é de extrema necesidade debido o seu impacto na reactivación económica e na xeración do emprego. Ademais, para favorecer instalacións de pequena magnitude e proxectos piloto innovadores, a norma permite, de acordo coa Directiva Europea de Enerxías Renovábeis, que se lles exima de acudir á poxa para poder recibir a retribución. Con esta lei ponse fin ao marco vixente desenvolto por Raxoi en 2013, un momento no que o custo de xeración dun quilowatt-hora renovábel era máis caro que o prezo ao que se vendía no mercado, unha situación diferente á actual.
NOS_30247
Hai consenso en que o actual modelo de financiamento autonómico non serve. Porén, non hai acordo nos camiños para melloralo nin nas metas. Mentres Feixoo prefire dirimir a cuestión con oito presidentes rexionais, Pontón sinala o Parlamento como o foro de debate e aposta pola autonomía fiscal e o concerto económico.
O modelo de financiamento da Galiza e a reactivación económica centraron as preguntas da oposición na Cámara galega nunha tensa sesión de control ao Executivo, onde o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, se fechou en banda á idea dun concerto económico para a Galiza e reprendeu o BNG por propolo. O pleno decorreu marcado polo anuncio que realizou Feixoo hai dúas semanas sobre a realización dunha cimeira en Santiago para estabelecer liñas dun novo modelo de financiamento autonómico e no que participarán o vindeiro 23 de novembro oito mandatarios: A Galiza, Asturies, Castela-A Mancha, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Aragón e Cantabria. Con este contexto de fondo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu no pleno que debe ser o Parlamento o foro onde se defina un novo modelo de financiamento que supere o actual sistema, "caduco desde 2014 e que fai perder miles de millóns de euros ás galegas e galegos cada ano". Nese sentido, Pontón interpelou Feixoo para "que deixe de aboar a falsa idea da Galiza pobre" que "precisa da xenerosidade" do Estado. Ao contrario, o Bloque considera que "é o Estado quen fai caixa cos impostos das galegas e galegos" e sinala que no último exercicio liquidado (2019), a Galiza achegou 13.212 millóns de euros e obtivo polo actual modelo de financiamento 8.142 millóns, o que supón unha diferenza a favor do Estado de 5.070 millóns. Así, Pontón propuxo "un concerto económico, como o que ten Euskadi ou Nafarroa, que nos dea a chave dos nosos cartos, que nos permita decidir desde aquí sobre o noso e despois facer contas co Estado sen discriminacións". Porén, "consciente" das "ataduras" de Feixoo, dixo, e prevendo a súa negativa ao concerto, tamén propuxo medidas para "ir avanzando" en autonomía fiscal: ampliar a porcentaxe de impostos cedidos até 90%, IVE e IRPF, o que suporía 4.000 millóns adicionais cada ano. Igualmente, reclamou a cesión do Imposto de Sociedades; que tributen na Galiza as empresas que teñen actividade produtiva no territorio galego, como as eléctricas, e apostar por unha fiscalidade verde. Un "harakiri" financeiro "Non me pida que prexudique a Galiza. Nunca vou facer o harakiri só polo seu ideario ideolóxico raquítico e desde o punto de vista económico disparatado", espetou Feixoo en resposta a Pontón. "Un concerto económico", dixo, "sería prexudicial e un disparate". No medio do debate, o mandatario avogou por revisar no financiamento autonómico o peso do gasto pola idade da poboación, engrosado pola dependencia, e en educación ter conta o padrón e a gratuidade das escolas infantís. Tamén apelou á necesidade de que o Estado reforme o financiamento autonómico sinalando datos como que a poboación maior de 65 anos na Galiza é 25,7%, fronte a 19% de media estatal, ou que a Galiza ten 14% dos centros de saúde, aínda que só 6% da poboación do Estado. O PSdeG suspende a Xunta en reactivación O dirixente socialista, Gonzalo Caballero, afirmou no pleno que o Goberno galego "suspende en tres ámbitos": servizos públicos, modernización da economía e "sobre todo, en políticas de emprego". O líder do PSdeG amosouse "preocupado" por que "cos orzamentos máis expansivos", a Xunta recorta en Atención Primaria e "despide centos de profesionais sanitarios e de docentes contratados de reforzo pola pandemia, que son necesarios e precisan contratos estábeis". E mentres, o socialista contrapuxo que no proxecto de Orzamentos da Xunta para 2022 "sobe 6,7% o gasto en asesores do PP".O voceiro do PSdeG reclamou a Feixoo que "priorice o gasto público fronte aos recortes", nun momento en que "o impulso da esquerda, co Goberno progresista de España á cabeza, promoveu en Europa un novo Plan Marshall" que dá aos Gobernos a posibilidade de "apostar por políticas keynesianas". Feixoo negou as acusacións de recorte de profesorado e persoal médico á que aludiu Caballero e afirmou que "hoxe o noso obxectivo é manter 80% de todo o persoal sanitario contratado na pandemia". Noutro momento, criticou que Feixoo "repita o mantra da baixada de impostos", unha cuestión que pode aprobar, dixo o socialista, "debido aos fondos extra que veñen do goberno de España". Ana Pontón desvela hoxe o seu futuro á fronte do BNG A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comparece en rolda de prensa esta quinta feira, 28 de outubro, en relación ao período de reflexión persoal que abriu en agosto sobre o seu futuro no liderado do Bloque. "Agora estamos a liderar a oposición, o que queremos é liderar a Xunta. Por tanto, estamos na recta final", dixo na pasada segunda feira. Este sábado o Consello Nacional do BNG ten previsto propor unha candidatura para renovar o organismo na Asemblea Nacional que realizará o próximo 7 de novembro na Coruña. Todo apunta a que Pontón revelará hoxe que está disposta a liderar o BNG e que aspira a gobernar Galiza. Quen tamén ten cita coa militancia para elixir líder é o PSdeG. O actual dirixente, Gonzalo Caballero, e o presidente da Deputación da Coruña, González Formoso, debaten na noite da cuarta feira, 27 de outubro, sobre os seus postulados no último tramo da carreira pola secretaría xeral do partido.
PRAZA_17426
ENTREVISTA A poeta Tamara Andrés fálanos dos seus libros e dun dos seus máis relevantes proxectos culturais: a revista de literatura Ligeia, que vén de crear con Marcus Daniel Cabada.
En Nenæspiraes, o primeiro poemario de Tamara Andrés, a muller procura a nena que foi, que xa non existe malia estar nela. En Corpo de Antiochia (Galaxia), o seu novo libro, tamén hai unha perda da identidade, mais é construtora. Nun proceso de extinción, desterro e retorno. De regreso como acto conclusivo. En Irmá paxaro, o seu terceiro poemario, que publicará Urco, volve a perda, neste caso dunha irmá que marcha e que fai cuestionar a propia identidade como irmá maior, como modelo. Falamos coa autora de todos estes libros, ademais de dun dos máis importantes dos seus múltiples proxectos culturais: a revista de poesía, investigación e xornalismo Ligeia, que presentará co editor, Marcus Daniel Cabada, o 23 de xuño ás 20:00 horas no Espazo Nemonon de Pontevedra. "Velaí o regreso da moza, tras o desterro, a un lugar emocional que xa non existe: devastación ao cadrado", escribe Héctor Acebo no limiar de Corpo de Antiochia. O libro é, -segundo indican as partes que o conforman-, extinción, desterro e retorno -a un lugar que xa non existe-. Como xorde esta idea, ese triplo movemento? Corpo de Antiochia non foi concibido desde a xénese dos primeiros textos como poemario, senón que se foi construíndo a retallos. Escribín os poemas que o conforman por unha necesidade imperiosa de verter no papel a anguria que me facían sentir elementos do meu entorno que sentía que me estaban a corromper e a escrita foi un xeito de neutralizarme, de regresar á beleza. Así é como xurdiu, en primeiro lugar, a extinción. Logo, por defecto, apareceu o sentimento de desterro, e logo, máis tarde, o regreso, como un acto necesariamente conclusivo. "Escribín os poemas que o conforman por unha necesidade imperiosa de verter no papel a anguria que me facían sentir elementos do meu entorno que sentía que me estaban a corromper" Os poemas da primeira parte presentan unha estrutura semellante. En todos eles, "Non hai beleza" mentres "nós calamos". Abrollan nesta parte unha identidade efémera, xunto coa destrución, o éxodo ou o desexo da memoria. Como se conectan estas ideas entre si? Que é a memoria en Corpo de Antiochia e de que maneira o poemario a reivindica? Creo na memoria como principio fundamental. Sabérmonos para ser, mais non sempre foi así. O poema xorde das experiencias vitais do poeta, e a reivindicación da memoria motívase aquí por un suceso vital. Nacín e vivo en Combarro e comecei hai pouco a aprender a ler nos seus símbolos, a saber da súa historia. Foi un choque moi grande descubrir que apenas sabía nada do que se supoñía que era o meu. A memoria é o único xeito de opoñerse á destrución, de evitar os éxodos, de aprender a non calar. "Creo na memoria como principio fundamental. Sabérmonos para ser, mais non sempre foi así" Na segunda parte, desterro, hai un corpo que se expande, que se desprega, que é engulido polo mar. Unha illa queda asolagada, sen identidade, no medio da liquidez. Mais a auga tamén produce pracer no corpo que se deixa levar por ela… Por que esa ambigüidade do símbolo da auga? De que xeito se conforma e se transforma a identidade, a idea de identidade, en Corpo de Antiochia? Que ten que ver coa revisión da identidade propia que se deriva do éxodo? Sen dúbida, auga e identidade camiñan en paralelo. O éxodo en Antiochia abre unha fenda, mais é o único xeito de devir ela mesma: velaí o que tamén se podería considerar, coma no caso da auga, un paradoxo. Na historia do ser humano, porén, a ferida sempre axudou a construír, a tatuar a individualidade de cada persoa. No proceso de desterro na auga, Antiochia tense que confrontar a negación de si mesma, mais no termo descobre que esa negación era necesaria para filtrar a beleza. "Na historia do ser humano, a ferida sempre axudou a construír, a tatuar a individualidade de cada persoa" Co retorno, viaxa a dor, a ferida. Mais na cidade, transformada, xa non medran as flores. O tempo pasou e non volve: a cidade é outra, a muller-corpo é outra. E "Obrígasme a que non fale/ da nostalxia mais eu non son/ máis ca neste lugar". Voltar é, supoño, reconstruír a identidade, recuperar a sensación de pertenza. Comprender o efecto do paso do tempo. Que é o tempo e cal é o seu efecto, no poemario, en relación co desterro? O tempo no poemario ten pretensións atemporais, de aí a referencia á cidade de Antiochia. O marco das accións correspóndese cunha cidade que nos remite á orixe dos nosos tempos, mais a escrita parte dunha persoa que forma parte da contemporaneidade do século vinte e un. Á fin e ao cabo, o fío común é unha catarse, un dos elementos que caracterizan a nosa existencia como sociedade, por iso quería que o tempo aparecese dilatado. É un libro moi distinto, e non só porque sexa prosa, pero en Amentalista a protagonista era unha muller que precisaba saír da cociña. Faime pensar na primeira parte de Corpo de Antiochia: o éxodo, a necesidade de saír, a procura da propia identidade a través, quizais, da alteridade. Cal pode ser a relación entre os dous libros? Quizais a catarse como forma de entender a existencia, de aprender e de avanzar en positivo. A alteridade está na orixe dese proceso, porque é imposible aprender e mudar sen a acción do outro, que repercute sobre nós e que nos forma. "A alteridade está na orixe, porque é imposible aprender e mudar sen a acción do outro, que repercute sobre nós e que nos forma" No teu primeiro poemario, Nenæspiraes, había tamén un eu que se relacionaba co paso do tempo: unha muller que buscaba a nena que fora. Igual que en Corpo de Antiochia a cidade, a muller-cidade, a muller-corpo non é a mesma ao pasar o tempo, neste primeiro poemario a muller non pode atopar a nena, que xa non existe malia estar nela. Cal é a reflexión sobre o tempo que conecta, quizais, estes dous libros? En Nenæspiraes a ollada sobre a perda da infancia era negativa. Agora, en Corpo de Antiochia, a ollada sobre a perda de identidade remata sendo construtora. Tamén cambia o proceso: entre o eu e a perda da infancia no primeiro caso non había mediador; era unha perda natural. Porén, no segundo caso, entre medias está o desterro. "En Corpo de Antiochia, a ollada sobre a perda de identidade remata sendo construtora" "Imprimimos o noso abecedario/ occidental cunha fusta ardente/ sobre os corpos de todas as/ demais linguaxes", di Corpo de Antiochia, no que tamén pode lerse que o que non se nomea non existe. En Nenæspiraes, "Os límites da miña linguaxe son os límites do meu mundo". Que teñen estes dous libros, tamén, de reflexión sobre como a linguaxe nos conforma? Escribín Nenæspiraes logo de ler e quedar prendada de Wittgenstein, de aí a frase. Formeime como tradutora e son docente de linguas, así que é inevitable relacionar os meus textos coa linguaxe. No seu momento, fascinoume a idea de que cada linguaxe sexa un xeito de comprender o mundo, mais tamén de exercer o poder sobre as persoas que o habitan desde outra lingua. "Fascinoume a idea de que cada linguaxe sexa un xeito de comprender o mundo, mais tamén de exercer o poder sobre as persoas que o habitan desde outra lingua" Nenæspiraes falaba tamén de estruturas, de construtos sociais que nos obrigan a encaixar nuns modelos. Penso que o que será o teu próximo poemario publicado, Irmá paxaro, conecta directamente con Nenæspiraes. Como se reconecta a voz poética coa infancia, malia que a irmá -as dúas nenas rebeldes, vastas, libres- xa non estea. Malia que a infancia, tan viva nos versos, xa non estea. Cal é a relación entre estes dous libros? Os dous parten da infancia, abofé, mais de xeito diferente. Nenæspiraes foi tanto o meu primeiro poemario como a miña primeira publicación. Nel, a suxeita aborda a infancia en primeira persoa e remite á nostalxia que produce o que xa non é. Irmá paxaro é diferente na medida en que aborda este sentimento dun xeito máis positivo, tamén máis claro. "A irmá paxaro é Paula, a miña irmá pequena. Escribino cando marchou estudar na universidade" A irmá paxaro é Paula, a miña irmá pequena. Escribino cando marchou estudar na universidade. Comecei a sentir entón que perdera a irmá nena, a comprender que eu, a irmá maior, xa non era un modelo necesario. A escrita foi un acto que se desencadeou de xeito automático para facerme entender. Nunca sentira a escrita tan verdadeira. Hai símbolos mais hai, sobre todo, penso, nos teus poemarios, poderosas imaxes. En Nenæspiraes tiña unha influencia como cinematográfica, ou teatral. Como un texto dunha obra de teatro. Buscas iso, crear, máis que nada, imaxes? Quizais non de xeito consciente, mais gústame que sexa así. Estou moi influenciada polas artes visuais porque consumo moita obra plástica e cinematográfica, e iso ten que permeabilizar dalgún xeito no texto. Recibo como crítica positiva que me digan que leron os meus poemas como unha sucesión de imaxes, porque é unha forma de ler que me gusta moito. "Recibo como crítica positiva que me digan que leron os meus poemas como unha sucesión de imaxes, porque é unha forma de ler que me gusta moito" En Irmá paxaro están tamén a ferida, o sangue, o corpo, a fame e a memoria, que veñen dos anteriores poemarios. Que son a ferida e a fame neste libro? E a memoria? En que sentido é este libro, tamén, continuidade de Corpo de Antiochia? Escribín os dous textos con poucos meses de diferenza, e aínda que os concibo como libros ben distintos, si que é certo que comparten algúns cimentos. En Irmá paxaro, a fame vai aparellada á pobreza, un elemento positivo porque é o que fai que a relación entre as irmás sexa imaxinativa, verdadeira, o que permite recorrer á imaxinación. A ferida é o que se abre cando a irmá paxaro marcha, mais tamén o que a escrita axuda a comprender, por iso acaba sandando. A memoria, en último lugar, é o lugar onde as dúas irmás sempre ficarán xuntas. Se en Corpo de Antiochia a memoria era reivindicación, aquí é unha celebración, sorriso, inocencia. "En Irmá paxaro, a fame vai aparellada á pobreza, un elemento positivo porque é o que fai que a relación entre as irmás sexa imaxinativa, verdadeira" Gañaches varios premios literarios antes de sacar os últimos libros. O premio de poesía, relato curto e tradución da Universidade de Vigo, o segundo premio do XVII Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, etc. De que maneira estes outros poemarios adiantaban o que veu despois? Os premios literarios permiten experimentar, xogar, probar e probarse a unha mesma. No meu caso, creo que foron necesarios sobre todo para pulir a mensaxe e mais a forma poéticas. Coido que en ningún caso adiantaban un poemario, aínda que si me deron azos para artellar novos proxectos. "Os premios literarios permiten experimentar, xogar, probar e probarse a unha mesma" Tes outros diversos proxectos nos que a poesía se encontra con outras artes. Como La metafísica del circo, de poesía e fotografía, compartido con Natalia Luz Striccoli. Ademais do blog persoal Temps oubliés, tamén moi ligado á creación poética. Colaboras, ademais, en revistas dixitais como La piedra de Sísifo. Supoño que moitos destes proxectos, ligados a internet, viñeron antes cá publicación de poemarios en papel. En calquera caso, que supoñen para ti, como creadora? É dicir, cales salientarías especialmente e por que? Como creadora destacaría especialmente La metafísica del circo, proxecto que comparto desde hai anos coa miña amiga Natalia. Xurdiu un día calquera na facultade de xeito espontáneo. Lembro ese momento con moita tenrura. Permitiunos xogar a nivel literario e tamén experimentar na relación entre literatura e fotografía. Máis recente é o proxecto Cartas ás 12 co compañeiro ilustrador, para min poeta visual, Marcos Viso. Nel vertemos as cartas que xorden da relación entre unha nena chamada Cíes e o seu pai. O proxecto vai alén do puramente literario, e divertímonos moito no proceso. Tamén traballas no campo do audiovisual e das artes escénicas. Fuches guionista, por exemplo, da curta Tiempos olvidados, ou performer con Blanco&Roja. E contacontos e animadora no proxecto Fedellas... Podes falar un pouco destes proxectos? Sempre sentín paixón sobre o que acontece sobre a escena, e ter unha parella que traballa no audiovisual implica acabar enredada en moitos proxectos dese eido, o que para min é unha gran vantaxe, xa que me obriga a saír da miña rutina e me permite achegarme a novas linguaxes e a outros xeitos de narrar historias. Tiempos olvidados foi o noso primeiro proxecto audiovisual, unha curtametraxe, curiosamente, onde se mesturan infancia, memoria e familia. Máis tarde veu a webserie La última piedra, un proxecto máis ambicioso, conformada por seis capítulos. Teceuse durante ano e medio entre un pequeno equipo técnico e un equipo artístico que se sumou dun xeito completamente xeneroso e altruísta, xa que tampouco contamos aquí con ningún tipo de financiamento. "Traballar con Alba Blanco e María Roja, creadoras que admiro, foi unha verdadeira honra e aprendín moito delas" Xustamente nesta serie coñecín a Susana, unha das actrices principais, quen me propuxo paralelamente crear Fedellas, un proxecto de contacontos para a rapazada. Pasabámolo moi ben nos espectáculos porque eran moi dinámicos e rompedores. Con Blanco&Roja acabei colaborando por casualidade. Traballar con Alba Blanco e María Roja, creadoras que admiro, foi unha verdadeira honra e aprendín moito delas. Comprender mellor a linguaxe performática, o xeito en que se artellan e se transmiten nese espazo as ideas, contribuíu a ampliar os meus horizontes narrativos. Entre os teus últimos proxectos está Ligeia, revista bilingüe (galego-español), de poesía, xornalismo e investigación literaria. Cal é o seu obxectivo? Como xorde? Que a diferencia doutras revistas literarias galegas? É dicir, que botabades de menos? Ligeia xorde da necesidade de unir creación e investigación, e de combinar o universo do compañeiro Marcus-Daniel Cabada, máis próximo ao sistema editorial e á investigación que se realiza en España e Hispanoamérica, e mais do meu propio, poboado principalmente por persoas que crean e investigan en lingua galega. O obxectivo, por tanto, consiste en ofrecer textos de calidade tanto en español en galego que sexan plurais e facilmente accesibles, sempre desde unha perspectiva independente e universal. "O obxectivo de Ligeia consiste en ofrecer textos de calidade tanto en español en galego que sexan plurais e facilmente accesibles" Hai unha edición dixital e unha edición en papel. Como facedes a distribución da revista en papel, é dicir, que países son, en principio, o voso obxectivo? Ao non dispoñer de financiamento algún, a distribución da revista farémola nós, polo que o marco territorial máis importante será Galicia. A edición dixital está pensada, precisamente, para chegar a espazos máis arredados. No primeiro número están presentes nada menos que 70 autores de 14 países distintos (España, Alemania, Marruecos, Túnez, EE. UU., Colombia, Irlanda, Argentina, Perú, Costa Rica, Nicaragua, Brasil, Francia e Chile). Cal é a liña que os une? Préstase especial atención á creación hispanoamericana ou hispanomagrebí. A idea foi sacar un primeiro número como "declaración de intencións" onde o primordial é comunicar o noso obxectivo: definirnos como unha revista aberta, independente e plural. Por esa razón non hai unha liña temática concreta nesta primeira entrega, titulada Recuperar as mans, o que si acontecerá nos vindeiros números. E nas partes de xornalismo e investigación, cal será a liña e cales son os obxectivos? Hai algunha outra revista que vos sirva, nese sentido, de modelo? No primeiro número, o comité editorial estaba integrado unicamente por Marcus e por min, mais a idea é ir sumando colaboradores que nos axuden a medrar como produto de calidade. En canto ao xornalismo, será o escritor e xornalista Lois Alcayde o que se encargará da dirección nos vindeiros números. As achegas e o interese de Lois neste primeiro número foron tan positivas que decidimos propoñerlle formar parte do comité e aceptou de moi bo grao, o que para nós foi unha auténtica alegría porque valoramos moito tanto os seus textos coma o seu criterio. A nivel xornalístico e investigador non pensamos en ningún modelo, mais en relación ao eido creativo si que nos remitimos ás revistas literarias que existían, sobre todo, no ámbito francófono no século pasado.
NOS_53051
Os votos do Partido Popular Europeo e de Reformistas e Conservadores Europeos tumbaron a resolución da deputada portuguesa Edite Estrela en que reclamaba garantías sanitarias para as grávidas e garantías legais para @s médic@s que practiquen a interrupción do embarazo.
Con 334 votos a favor, 327 en contra e 35 abstencións, o Parlamento Europeo ratificou esta terza feira unha resolución contra os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres presentada polo Partido Popular Europeo e o grupo de Reformistas e Conservadores Europeos ou o que é o mesmo, pola dereita e a extrema dereita. A resolución veu tumbar outra previa que fora aprobada na Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero --presidida pola deputada portuguesa Edite Estrela-- e que reclamaba garantías sanitarias para as mulleres grávidas que decidan abortar, así como garantías legais para @s médic@s que practiquen esa interrupción do embarazo. Foi xustamente Estrela, integrante do grupo Alianza Progresista e eleita polo Partido Socialista de Portugal, quen asinou o texto en que reclamaba que todos os estados ficasen obrigados a garantir o aborto ás mulleres grávidas após seren violadas, extendendo a garantía a aqueloutras cuxa saúde ou cuxa vida se atopase "en grave risco". Edite Estrela exixía que a interrupción voluntaria do embarazo nestes supostos fose accesíbel "sen restricións de ningún tipo". A mesma resolución pensou nas sancións a profesionais da sanidade que practiquen un aborto e demandaba que os estados se inhibisen de impor tales sancións ao entender que os dereitos sexuais e reprodutivos "das mulleres e dos homes" son "dereitos básicos que non deben ficar limitados por motivos relixiosos". Porén, os dous grupos parlamentares antes sinalados votaron en contra após introducir unha resolución en que sinalaban que "a formulación e aplicación de políticas en materia de saúde sexual e reprodutiva e dereitos afíns, así coma en materia de educación sexual nas escolas, é competencia dos estados membros". "Hipocrisía" e "vergoña" Cando soubo que a súa resolución fora refutada, Edite Estrela tildou de "hipócritas" @s eurodeputad@s que votaron contra este dereito mais que premian a activista Malala Yousafzai "por loitar polos dereitos das nenas en Pakistán". Desde o grupo Os Verdes-Alianza Libre Europea, onde até o 9 de xullo de 2013 se integrou a eurodeputada galega Ana Miranda (BNG), destacaron que o acontecido neste último pleno "carrexou vergoña sobre o Parlamento Europeo e o seu papel de anos defendendo os dereitos das mulleres".
PRAZA_13877
A Comisión Europea pon no punto de mira as televisións autonómicas, as embaixadas e numerosas empresas locais. O Estado esixirá a eliminación de varios entes para as autonomías que se acollan ao fondo de liquidez.
Bruxelas pide máis e agora pon os ollos nas autonomías. Malia que os duros recortes aplicados polo Goberno de Mariano Rajoy hai tres semanas foron ben recibidos, a Comisión Europea ten pensado esixir ao Estado que suprima 2.700 organismos autonómicos, unha petición que chegou ao Executivo hai xa tempo, pero que aínda non se cumpriu. A Comisión considera "prescindibles" as televisións autonómicas, as embaixadas e varias empresas locais Entre os obxectivos "prescindibles" para Bruxelas, as televisións autonómicas, as embaixadas rexionais e varias empresas locais que dan soporte a concellos, consellerías e deputacións en diversas comunidades. En canto ás canles públicas, o PP xa ten pensada a privatización ou incluso eliminación dalgunha delas, cando non o seu recorte brutal, como no caso da televisión pública valenciana. E Rajoy colle a luva de Bruxelas. O pasado luns, xa na xuntanza que mantivo cos seus baróns autonómicos, o presidente do Goberno deixou claro que habería que recortar, tanto en organismos como en deputados, seguindo así as teses do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que recibiu o visto e prace por parte dos presidentes autonómicos do PP á súa idea de reducir os deputados das cámaras rexionais. Ademais, a eliminación destes "entes, sociedades e organismos autónomos" que sexan considerados de escasa importancia é unha das condicións que pon o Goberno a aquelas autonomías que se acollan ao fondo de liquidez, como o caso da Comunitat Valenciana ou Catalunya.
NOS_56989
Algo que levan tempo denunciando organizacións do sector e que agora comezan a criticar algúns empresarios da propia industria.
É un negocio redondo: mercar leite nas explotacións que vai para po (co que se paga menos por el ao produtor), maiso o seu destino non vai ser ese. É algo que as diferentes organizacións teñen denunciado en máis dunha ocasión. Elías Somoza, da Fruga, afirma en conversa con Sermos Galiza que "non sabemos se realmente ese leite en pó vai para aí ou para a cadea alimentaria", nunha dinámica que tira os prezos pois o leite para po págase moito máis barato. Desde o Sindicato Labrego Galego lembran que "levan "meses denunciando que moito do leite que se compra para facer po a prezos inferiores aos 20 céntimos, en realidade non vai para po, co cal estariamos diante dunha fraude". E engade: "Xa tardan as inspeccións...". Mais agora é desde a propia empresa da industria do leite de onde saen estas sospeitas. E nada máis e nada menos que desde Jesús Lence, propietario de 'Leche Río'. En agroinformación recóllense unhas declaracións deste empresario nas que recoñece que a fin do sistema de cotas provocou "unha gran especulación" por parte dos denominados "primeiros compradores". Explica que explotacións están a venderlle o leite como se fose destinada para po mais o seu destino son lugares "onde non existen" instalacións para levar a cabo esa transformación", citando Avilés, Escorial.Madrid ou Burgos.
NOS_6485
A CIG insiste en que a suba do salario mínimo interprofesional (SMI) debería chegar até os 1.167 euros mensuais.
A CIG cualificou onte de "insuficiente" a suba do salario mínimo interprofesional até os 1.000 euros anunciada polo Goberno español. Segundo insisten desde o sindicato nun comunicado, o incremento debería chegar até os 1.167 euros mensuais, que se correspondería con 60% do soldo medio actual contemplado na Carta Social Europea. Ademais, desde a CIG apuntan que a medida anunciada polo Goberno estatal só afectaría na Galiza pouco máis de 30.000 persoas, o equivalente a 4,3% da poboación asalariada, ao tempo que critican que o Executivo "estea a empregar unha vez máis o chamado diálogo social para non cumprir cos compromisos adquiridos". "A pesar de que a lei obriga o Estado español a consultar sobre os incrementos do SMI, a ministra de Traballo non ten contactado coa CIG, que é a central maioritaria do país e ostenta a condición de sindicato máis representativo", denuncian desde a central nacionalista. "O Executivo está a empregar unha vez máis o chamado diálogo social para non cumprir cos compromisos adquiridos". Neste senso, insiste en que a suba so SMI até aos 1167 euros ao mes "é unha medida necesaria para a activación da economía e e para incrementar o consumo interno e o poder adquisitivo das clases traballadoras máis castigadas polas sucesivas crises que levamos padecendo dende o ano 2008". A patronal, á marxe O sindicato fixo estas declaracións no mesmo día que as patronais CEOE e Cepyme anunciaron que non van apoiar a proposta de Traballo por considerala "inasumíbel" e fóra da "lóxica económica". "Non é o momento de aplicar unha nova subida do SMI en 2022, que parece responder máis a unha aspiración política no seo do Goberno que á lóxica económica", sosteñen nun comunicado conxunto.
NOS_15492
O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de facer pública a súa estatística sobre bibliotecas e a Xunta da Galiza non sae ben parada, pois as cifras destapan grandes caídas de máis de 50% en número de bibliotecas, usuarias, investimentos ou adquisicións de libros. Sindicatos como CIG ou a Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais da Galiza veñen denunciando desde hai anos a situación que padece o sector.
As bibliotecas esmorecen na Galiza. Os indicadores que o Instituto Nacional de Estatística (INE) fai públicos cada dous anos revelan que na década transcorrida entre 2008 -último ano de Goberno bipartito en San Caetano do que se teñen datos- e 2018 produciuse unha degradación total no sector. O número de bibliotecas no país pasou de 550 a 476, o que supón un descenso de 13,45%, un dato que chega a palidecer en comparación co dos investimentos nas bibliotecas, que baixou dos 5.556.859 millóns de euros de 2008 aos 2.423.248 en 2018, unha caída de 56,39%. Nesta liña, a cantidade investida na adquisición de volumes para as bibliotecas tamén se viu sensibelmente recortada, en concreto 15,99%, ao descender até os 11.060.714 euros de 2018 desde os 13.165.256 de 2008. Mais sería inxusto responsabilizar deste desleixo exclusivamente a Administración autonómica, pois se ben é certo que no decenio 2008-2018 a Xunta de Galiza pechou 7,84% das bibliotecas da súa titularidade -pasando de 64 a 59-, o Estado español máis que triplica esa porcentaxe, clausurando o 25% da súa rede de bibliotecas no país. Este deixamento coa cultura non é exclusivo dos poderes públicos, xa que as bibliotecas privadas foron eliminadas en similar proporción, pasando de 117 a 92 entre 2008 e 2018 en toda Galiza. Denuncias das profesionais As profesionais das bibliotecas tamén se viron perxudicadas polo peche e o abandono administrativo. Así, o sector pasou de empregar 1.311 persoas a 1.221, un descenso de 6,86% que pode parecer pequeno, mais oculta unha precarización que veñen denunciando desde sindicatos como a CIG ou organizacións como a Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galiza. Os investimentos nas bibliotecas baixaron 56,39% entre 2008 e 2018 O seu vicepresidente, Xosé Luís Arte, denuncia que desde a Xunta "non se contrata persoal especializado", algo que encaixa cos datos achegados polos indicadores do INE, que apuntan a un descenso de 35,05% nese tipo de traballadoras. "O que fan é contratar xente sen a titulación, que non está especializada, e póñenlle a categoría profesional de auxiliar administrativo no contrato para que así teñan salarios baixos, mais as tarefas que desenvolven son técnicas e con responsabilidade, como compra de material ou catalogacións", engade Xosé Luís Arte. Achegas "tarde, mal e arrastro" Desde a Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais da Galiza tamén critican que desde a Xunta de Galiza do PP se modificase o sistema de achegas estabelecido polo Goberno do bipartito. "Daquela tiñamos unhas axudas para adquisición de libros que se repartían de forma directa, mais despois a Xunta modificou o sistema e as bibliotecas pasamos a estar incluídas nun caixón de xastre denominado 'actividades culturais', o que se traduciu en que, por exemplo, no caso da biblioteca na que traballo eu pasásemos de recibir 19.000 euros a 8.000, menos da metade", explica o vicepresidente da asociación. As actividades que se desenvolven nas bibliotecas son as outras grandes prexudicadas polo sistema de achegas da Xunta de Galiza, segundo explican as profesionais das bibliotecas, que din que chegan "tarde mal e arrastro". "Este 2019 quedamos sen facer practicamente nada polo Día do Libro e o Día das Letras Galegas porque a convocatoria das achegas saíu moi tarde", censuran. As consecuencias directas desta política xa se poden sentir, en primeiro lugar, no crecente desapego da sociedade coas bibliotecas, como demostra o feito de que o número de visitas ás salas baixou case 25% neste decenio. Xosé Luís Arte culpa dese dato á falta de investimentos: "Unha biblioteca ben equipada atrae a xente, pero unha biblioteca que non ten equipación suficiente provoca o efecto contrario, fai que a xente fuxa dela. E que fai a Administración cando non vai xente ás bibliotecas? Pechalas. Iso é o que está pasando aquí". Eses peches están focalizados, ademais, no mundo rural -con especial fincapé nas localidades de menos de 5.000 habitantes, non obrigadas a dispor dunha biblioteca pola Lei 7/85 das bases do réxime local-, afondando así nas dificultades que parte desa poboación se atopa no acceso á cultura.
PRAZA_6215
Os galegos José Blanco, Pilar Cancela, Carmela Silva e Mar Barcón forman parte do Comité Federal tras un congreso onde se evidenciou o voto de castigo a Pedro Sánchez, con 136 votos en branco, case un 14% do total.
José Ramón Gómez Besteiro será un dos baróns territoriais con posto na nova Executiva do PSOE, que vén de proclamar a Pedro Sánchez como o seu novo líder tras a vitoria nas primarias. O novo secretario xeral cumpriu co previsto e sacou adiante o equipo co que dirixirá a formación tras lograr un 86% do voto a favor do equipo de dirección pactado con Susana Díaz e ao que se opuxo un 14% dos delegados, que expresaron a súa disconformidade coa escasa integración con 136 votos en branco. A nova dirección de Pedro Sánchez foi apoiada polo 86% dos delegados A porcentaxe obtida por Sánchez é máis que suficiente para validar o equipo que sae deste congreso, pero non logra evitar a imaxe de malestar interno pola falta de consenso arredor da integración de todos os que concorreron ás primarias nas que venceu o madrileño. Besteiro será o único representante galego nesta nova dirección, logo de que o líder dos socialistas galegos amosase -máis explícita ou implicitamente- o seu apoio a Sánchez. Nesta nova dirección, baseada de novo na influencia decisiva dos baróns territoriais, Galicia contará co seu, aínda que o seu peso será moito menor ao de federacións como a andaluza, a madrileña ou a catalá. A importancia da presenza dos actuais líderes territoriais é evidente. Cinco baróns terán un cargo de secretario (La Rioja, Canarias, País Valenciano, País Vasco e Navarra) e outros catro (Madrid, Castilla-La Mancha, Galicia e Baleares) estarán como vogais. Besteiro será un destes vogais. Galicia contará co seu barón na Executiva, pero terá moito menos peso que Andalucía, Madrid ou Cataluña O secretario xeral do PSOE configurou unha Executiva cun importante papel de Andalucía, que asume a coordinación da Política Federal en diferentes niveis. O novo equipo recibiu as queixas dos candidatos perdedores na consulta aos militantes, Eduardo Madina e José Antonio Pérez Tapias, que denunciaron falta de "integración", ben como malestar da federación asturiana, cuxo presidente, Javier Fernández, recoñeceu que non se cumpriron as súas "expectativas", aínda que finalmente sinalou que o resultado é "bo" e que agora xa aplica "amnesia inmediata". O principal problema que salvou Pedro Sánchez foi precisamente a oposición amosada pola federación asturiana. O novo líder do PSOE quería desfacerse de Javier Fernández, até o de agora coordinador dos baróns no consello territorial. Pero o feito de que Fernández sexa a día de hoxe o único presidente electo dos socialistas obrigou a nova dirección a reaccionar, creando para o asturiano unha responsabilidade á medida, nun órgano que se dedicará á xestión de políticas relacionadas co sector industrial. Blanco, Cancela, Carmela Silva e Barcón serán os representantes galegos no Comité Federal Ademais da Executiva, a lista para o Comité Federal, que encabeza José Antonio Griñán, foi apoiada polo 87,44% dos delegados e nela figuran catro galegos: o eurodeputado José Blanco; a secretaria de Organizaicón, Pilar Cancela; a deputada no Congreso e tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva; e a voceira do PSOE na Coruña, Mar Barcón.
NOS_28084
Nova Nursia (Xerais, 2018), a novela de Héctor Cajaraville sobre Frei Rosendo Salvado, gañou a 34ª edición do premio Antón Losada Diéguez na categoría de creación literaria. En ensaio, o galardón foi para As orixes da fotografía en Galicia (Alvarellos / Consorcio de Santiago de Compostela, 2019), de Casrlos Castelao.
A obra de Cajaraville válese dunha combinación de perspectivas -narración en terceira persoa e cartas en primeira- para achegar a figura do relixioso que, de Tui a Australia, está considerado ademais o introdutor do eucalipto en Galiza. Beneditino, protagoniza esta "áxil novela histórica", en palabras do xurado. As orixes da fotografía en Galicia é un traballo pioneiro, de gran profundidade documental, sobre "a chegada e asentamento da fotografía na sociedade compostelá". É ademais unha coidada edición con ducias de imaxes que contribúen a "rescatar a memoria visual da época". Ao certame, organizado polos concellos do Carballiño e Boborás, concorreron 38 obras, 16 na modalidade de ensaio e 22 na de literatura. Está dotado con 6.000 euros por categoría e entregarase nun acto no pazo da familia Losada Diéguez en Moldes (Boborás) o vindeiro 15 de xuño. O xurado estivo presidido polo concelleiro de Cultura do Carballiño Diego Fernández. Participaron como vocais: pola Real Academia Galega, Afonso-Vázquez Monxardín; polo Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas; do Museo do Pobo Galego, Francisco Fariña; por Boborás, Patricia Torres; da Universidade de Santiago, María do Mar Lorenzo; da Universidade da Coruña, Manuel Ferreiro; e da Deputación Luis González Tosar.
NOS_21376
Piden ao goberno galego que adíe o acto para alén do 24 de xullo porque esta data é "de recollemento" para as vítimas. A Xunta avalía pospoñer a entrega do recoñecemento ao colectivo.
A veciñanza da parroquia de Angrois, onde aconteceu o accidente ferroviario que hai un ano causou a morte a 80 persoas, enviou unha carta ao executivo de Alberto Núñez Feijóo para lle informar que non recollerán a Medalla de Ouro de Galiza. A entrega do galardón, que lles foi outorgado polo goberno da Xunta de Galiza após a súa actuación para socorrer as vítimas, estaba prevista para o vindeiro 24 de xullo, día en que se cumprirá un ano do sinistro. Mais @s veciñ@s aseguraron que non recollerán o premio segundo informou o secretario da asociación veciñal, Isidro Castaño á axencia de noticias Europa Press. Piden que a data sexa adiada por respecto ás vítimas A súa vontade, sinalou, é respectar a data de conmemoración e "recollemento" das vítimas e non facer do 24 de xullo unha xornada de recibimento de homenaxes. A decisión foi adoptada por unanimidade o pasado 12 de xullo como tamén, o envío dunha misiva ao propio presidente da Xunta onde lle solicitan adiar a entrega da Medalla. Desta maneira, podería suspenderse o acto pois desde hai anos só se entrega un galardón e non tres, como acontecía anteriormente. As vítimas do Alvia non queren a PP e PSOE nos actos O rexeitamento da veciñanza súmase tamén á vontade expresada polas propias vítimas que pediron aos representantes de PP e PSOE que non acudan á homenaxe que renderán ás vítimas o propio día 24. Após a negativa de ambas as dúas forzas políticas, que rexeitaron en numerosas ocasións iniciar unha comisión de investigación no Parlamento galego, a asociación Vítimas do Alvia coidan que a súa presenza no acto sería "indigno".
NOS_34900
Esta madrugada produciuse un novo terremoto en Covelo, na comarca da Paradanta, que xunta O Condado xa leva unha semana sufrindo máis de 30 sismos.
A terra continúa tremendo na comarca da Paradanta e do Condado. Arredor das 3 horas da madrugada desta cuarta feira rexistrouse un sismo de magnitude 1,7 na escala de Richter, 12 horas despois doutro terremoto de magnitude 1,9. A información do Instituto Xeográfico estatal sitúa o epicentro do movemento sísmico a unha profundidade de 24 quilómetros. A similar profundidade, 23 km, se produciu o sismo do domingo ás 20.47 no mesmo municipio. Outros dous terremotos o sábado O sábado foron dous os terremotos rexistrados en Covelo, un de magnitude 2,6 ás 16.09 horas e outro de magnitude 2,1 ás 21.25 horas. Sen saír da comarca, ese mesmo día detectouse na Cañiza un sismo ás 2 horas de magnitude 2 e epicentro a nove km de profundidade. Xa na comarca do Condado, Mondaríz sufriu un tremor de magnitude 3,4 na madrugada do domingo con epicentro a 23 km de profundidade. Unha semana de actividade sísmica Ámbalas dúas comarcas rexistraron ao longo da pasada semana unha importante actividade sísmica, con máis de 30 terremotos.
PRAZA_11797
José Luis Baltar deixa nas mans do seu fillo Manuel Baltar o poder acumulado durante 22 anos na Deputación
José Luis Baltar culminou coa cesión da Deputación de Ourense ao seu fillo, Manuel Baltar, a operación sucesoria que iniciou hai dous anos co nomeamento do seu herdeiro como presidente do Partido Popular de Ourense. Con este paso perfectamente calculado perpetúase un dinastía política na provincia de Ourense, que leva 22 anos no poder, e que controla o aparato do partido conservador no interior de Galicia. O nomeamento do fillo, ata agora colocado na vicepresidencia primeira do Parlamento, permitirá seguir condicionando ao presidente da Xunta ao converterse na cabeza de más 60 alcaldes que responden ata o momento incondicionalmente ás ordes de Baltar e que son o músculo de todas as vitorias que os populares acumulan dende á volta da democracia. O presidente do Partido Popular de Galicia e tamén do Goberno galego observa dende a distancia todo este proceso e espera a ocasión para intervir. Os seus fieis na provincia, poucos pero agrupados en torno o alcalde de Verín, Juan Miguel Jiménez Morán, e o concelleiro en Allariz, Antonio Rodríguez Miranda, cren que "é unha cuestión de tempo porque as illas neste partido non sobreviven". "Non convido a Manuel Baltar ás festas" Os leais a Santiago, que evitan dar os seus nomes pero non evitan falar, confirman que "a brecha que hai é moi grande pero somos conscientes de que non temos marxe". Trala aparente cordialidade e as manifestacións de recoñecemento mutuo escóndense xestos de hostilidade que aínda que parezan pouco significativos son enormemente simbólicos. Un dos rexedores consultados por Praza aclara: "Eu non convido a Manuel Baltar a festas que se fan no meu concello, fíxeno co pai porque non me queda outro remedio por lealdade institucional pero eu non o convido porque de momento non era nada e eu son alcalde". Tanto dirixentes populares galegos como rexedores da provincia fieis e disidentes asisten con un premeditado silencio público a entronización de Baltar Blanco. Só falan portavoces como o secretario xeral, Alfonso Rueda, que manifesta que "en todo o procedemento estase a seguir un escrupuloso respecto as normas democráticas". Porén os de abaixo falan, esperan e perfilan un discurso único que conflúe nunha idea "estamos na conta atrás, o primeiro en renderse foi o pai que non viu en ningún dos gobernos xente colocada do seu ramo e non aguantou máis". Os fieis a Feijóo esgrimen "que a situación financeira da Deputación é asfixiante e non hai marxe para facer moito máis por iso Baltar tampouco tiña moitas alternativas". Este lastre vai ser herdado polo seu fillo "pero non o seu carisma e van quedar desencantados ao ver que no pode colocar a fillos, noras e xenros porque no hai, a torta rematou e Feijóo non vai investir un peso". "Unha capacidade extraordinaria para resistir" Non obstante, non todos son inconvenientes para o baltarismo, ata os inimigos lle recoñecen ao novo líder "unha capacidade extraordinaria para resistir e unha ambición desmedida que o pode facer aguantar un tempo na Deputación e no partido". O propio presidente do PP ourensán acredita nas súas intervencións pública moita temperanza e fai un uso exquisito da linguaxe no plano formal para evitar calquera reproche público contra o presidente da Xunta ou a dirección popular. Con habilidade dialéctica refuta facer valoracións sobre cuestións concretas como os investimentos da Xunta en Ourense e insiste nas debilidades das demais formacións políticas ás que sitúa en proceso de refundación. En temas mais delicados como o persoal administrativo e as contratacións remítese a xustiza que non detectou anomalías destacadas e incluso algunha concelleira baltarista empregada na Deputación fai chanzas dicindo "son unha enchufada". O único anuncio concreto que Baltar Blanco fixo ata o de agora foi o da continuidade da "marca propia do PP ourensán", é dicir, visitas, contacto directo e presenza ata no último recuncho da provincia de Ourense porque segundo di: "Por encima de todo Ourense". Os que esperan a súa oportunidade enumeran os alcalde disidentes: Leiro, Verín, Beade, Arnoia, San Amaro... e concretan na figura de Antonio Rodríguez Miranda a persoa que debería suceder a Baltar "pero de momento toca esperar" porque tómanse en serio ameaza do patriarca "nun momento dado pódese botar un pulso a Feijóo" e entón adeus maioría.
NOS_26470
A dirección do partido desdí a deputada andaluza Teresa Rodríguez e condiciona as negociacións co PSOE de cara á investidura de Susana Díaz.
Após as eleccións ao Parlamento de Andalucía e da irrupción de Podemos como terceira forza máis votada (15 escanos) os focos de atención centráronse no partido que lidera Pablo Iglesias e no papel que xogará durante o debate de investidura. A súa voceira na Cámara andaluza, Teresa Rodríguez, foi a este respeito clara condicionando as negociacións co PSOE de Susana Díaz a tres 'liñas vermellas': a demisión de Griñán e Chaves --imputados no caso dos EREs-- a ruptura das relacións entre o goberno andaluz e as entidades financeiras que desafiuzan familias sen recursos e a redución de altos cargos. Porén, horas máis tarde, desde a dirección central en Madrid desdicían as declaracións de Rodríguez e do grupo parlamentar ao aseguraren que non se trataban de "condicionantes", senón de "propostas", apuntou Ángela Ballester, integrante da executiva de Podemos. Rodríguez tivo de saír ao paso através da súa conta oficial na rede social Twitter para aclarar que as 15 persoas que integran o grupo parlamentar "non facilitaremos un goberno que vaia en contra dos andaluces". O partido designou dous representantes para negociar o debate de investidura, Sergio Pascual e Maruel Garí, ningún dos dous é deputado As divisións internas plásmanse tamén na base militante da formación. Neste senso, unha parte da afiliación demanda a convocatoria dun referendo para determinar a posición política que adoptará o partido liderado por Pablo Iglesias, entre outras cuestións perante a incerteza que paira por mor dun hipotético apoio de Podemos á investidura de Díaz como presidenta após máis de 30 anos de goberno socialista e a abertura de procesos de investigación entre os seus integrantes imputados por corrupción. Mais desde Madrid deixaron claro que non haberá consulta algunha entre a militancia, senón que será unha delegación a que xestione as relacións co PSOE. A delegación estará integrada por Sergio Pascual, secretario de Organización de Podemos e Manuel Garí, un dos asesores de campaña de Teresa Rodríguez. Desde Madrid afirman que "non é supervisión nen control", mais para comezar ningún dos dous representantes, nen Pascual nen Garí, son deputados no Parlamento andaluz.
NOS_38075
Partido Comunista Portugués realizou em Almada o XIX Congresso, "Democracia e Socialismo - Os valores de Abril no futuro de Portugal", que contou coa presença de mais de 1.200 congressistas
Jerónimo de Sousa, reeleito secretário-geral do PCP, denunciou neste domingo, no encerramento do XIX Congresso do partido, em Almada, "a estafa da alternância" no poder entre PS, PSD e CDS. Para romper com a lógica de rotativismo, insistiu no reforço eleitoral do PCP e na necessidade "urgente de uma outra política e um outro governo". Sousa sinalou que o PCP não se limita à crítica, à luta contra. "Temos uma proposta política alternativa que numa síntese das sínteses propõe: Resgatar Portugal da teia de submissão e dependência, recuperar para o país o que é do país: os seus recursos, os seus setores e empresas estratégicas, o seu direito ao crescimento económico e ao desenvolvimento e à criação de emprego. E devolver aos trabalhadores e ao povo os seus salários, rendimentos e direitos sociais, tendo com objetivo uma vida digna". O Comité Central do PCP foi eleito com 97% dos votos. O novo Comité Central tem assim 152 membros e "mantém uma ampla maioria de operários e empregados", aumenta "ligeiramente" o número e a percentagem de mulheres ao passo que a média etária se mantém "na casa dos 47 anos".
NOS_33507
Os datos do INE de agosto indican unha baixada continua desde marzo.
As vendas da industria galega seguen en negativo e baixaron no mes de agosto en -0,3%, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Nese mesmo mes aumentaron as súas vendas Catalunya, Aragón e Castela e León. Galiza segue sen medrar desde marzo polas subas de arranque de ano aínda que aínda están en positivo na media de 2019 (+0,2%) por baixo da media estatal (+0,3%). Estes datos contrastan co comportamento dos pedidos que aumentan na Galiza un 3,2% malia ter como meses malos xullo, xuño e agosto.
PRAZA_12213
O actual secretario xeral do PSdeG asegura que a súa "forza" reside en que "non decide ninguén máis ca os delegados" no Congreso Nacional e a ex ministra admite contactos "continuos" con Orozco e Besteiro
Unha batalla paralela sen máis contacto ca o inevitable, na recta final. Este semella ser o esquema escollido polos dous aspirantes á secretaría xeral do PSdeG, o actual líder socialista, Pachi Vázquez, e a ex ministra Elena Espinosa. Na primeira xornada con dúas candidaturas sobre a mesa, tanto quen aspira a revalidar o cargo como quen inicia a carreira evitaron lanzar dardos cara ao lado contrario -cando menos directamente-. A escasos cinco días do Congreso Nacional semella que a vontade dos dous políticos ourensáns é amosar músculo político en forma de apoios internos e lanzar mensaxes "en positivo" cara ao exterior. "Todos imos ao mesmo, a construír", aseguraba Vázquez no inicio dunha maratoniana xornada que incluíu xuntanza co grupo parlamentario -no que conviven partidarios de ambas opcións-, encontro con algúns dos autores do relatorio marco da cita congresual e unha terceira reunión con alcaldes e alcaldesas de concellos pequenos. No día da estrea do seu lema para o Congreso, Galicia, o noso partido, o actual secretario xeral asegura non estar sorprendido pola chegada da candidatura de Espinosa, aínda que esta chegase a última hora. "O excepcional sería que non houbese outra" candidatura, di, xa que "nós non somos o PP", onde os cargos "se herdan de pais a fillos", ironiza. "Ninguén pode decidir máis ca os delegados, e iso dáme forza", di Pachi Vázquez Así e todo, e malia á luva branca que semella querer empregar ata o sábado, Pachi Vázquez non evita o que ben podería ser interpretado como unha mostra da retranca marca da casa en forma de mensaxe á súa rival. "Cando este partido vai a un congreso ninguén pode decidir máis ca os delegados, e iso dáme forza", asegura. Por este motivo, di, a cita congresual só pode "saír ben", porque "vai saír o que queiran os delegados" que "nunca se equivocan". Mentres Vázquez realizaba estas declaracións ante a prensa no Parlamento, nun hotel compostelán Espinosa mergullábase en augas semellantes para tentar espantar un dos reproches que lle comezan a chegar dende a candidatura oposta. Antes de participar nunha xuntanza sobre políticas centradas nas mulleres, a candidata reivindicaba a "independencia total" da súa opción ou, o que é o mesmo, a inexistencia de mandos a distancia nas mans de, por exemplo, o ex ministro José Blanco ou o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Espinosa di ter contacto "continuo" con Orozco e Besteiro Nesta liña, como xa fixera o propio ex titular de Fomento, Espinosa lembra que o lugués "non é delegado" no Congreso, polo que "non vai poder votar" por ningunha das dúas listas, o que non quita o seu "aprezo e cariño" a quen é "un gran compañeiro" e foi "un gran ministro para Galicia". Sen saír de Lugo, provincia clave na elección, a aspirante salientaba ademais a "amizade" que a liga tanto co alcalde da capital da provincia, José López Orozco, como co presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro. Se ben "teñen que responder eles" sobre se a apoiarán para ser secretaria xeral, salienta que o contacto con ambos é "continuo e telefónico". Sen "división" tras o Congreso Alén das mensaxes cruzadas, no que si coinciden os líderes das dúas candidaturas é en descartar "divisións" despois do Congreso. "Eu sempre buscarei un proxecto integrador no que caibamos todos" porque o contrario "non o permitirían os galegos", asegura Pachi Vázquez. "Están vendo como se pechan centros de saúde ou escolas e están agardando por unha alternativa forte no PSdeG". "Por primeira vez" en tres anos o PP "é vulnerable", asegura, polo que cómpre aproveitar ese "desgaste" para "volver gobernar este país". Nesta liña, Espinosa mantén que o que se dirimirá no Congreso Nacional son "proxectos únicos que se poden encamiñar de diferentes xeitos", igual que se pode "ir a unha cidade dun xeito ou doutro". "Os delegados teñen que dicir cal é o camiño que lles gusta máis para cumprir os obxectivos que son comúns a todos os socialistas", asegura. O seu "desexo", conclúe, non é outro que facer do PSdeG a "alternativa que Galicia precisa para que todos os galegos poidan ter un porvir mellor". "Agora veno bastante negro", afirma.
NOS_20706
Un perfil de Miguel Zanetti e da súa relación coa Galiza.
Miguel Zanetti Sasot (Madrid, 1935-2008) foi un pianista acompañante, repertorista e músico de cámara dos máis importantes do século XX. Iniciouse en 1955 como correpetidor, na cátedra de canto de Lola Rodríguez de Aragón, no conservatorio madrileño, dedicándose a partir da década dos 70 á docencia na Escola Superior de Canto de Madrid, onde ocupou a cátedra de Repertorio Vocal Estilístico ata 2006. Miguel coñecía, tocaba e admiraba a música de compositores galegos como Adalid, Montes, Baldomir, Chané ou Gaos, entre outros. A nómina de cantantes e instrumentistas cos que actuou é de auténtica vertixe: Schwarzkopf, Seefried, Procter, Carreras, Kraus, Sardinero, Lorengar, Berganza, Cid, Higueras, Martos, Sánchez, Nafé, Orán, Bayo, Rodrigo, Uríz, Montiel, Rampal, Martín, etc. Mención aparte merecen Montserrat Caballé, coa que efectuou 286 recitais (moitos na Galiza), e Victoria de los Ángeles, coa que realizou 258. Na Galiza as primeiras actuacións foron en 1960 xunto a mezzosoprano Toñy Rosado no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e no Teatro García Barbón de Vigo e Teatro Principal de Pontevedra coa soprano norteamericana Theresa Grene Coleman. A partir dese ano visita o país en numerosas ocasións, destacando as actuacións xunto ao violinista León Ara, e a participación no Festival Cidade de Vigo (1983) e no curso Música en Compostela (1995) co dúo a catro mans xunto a Fernando Turina. No 1984 e 1985 colabora co Coro Universitario de Santiago, dirixido por Maximino Zumalave. En 1987, xunto a Caballé, participa na reapertura do Teatro Principal pontevedrés e un ano máis tarde participa na presentación do coro Collegium Compostellanum, no Memorial Antonio Odriozola, en Pontevedra. Gravou, xunto á soprano Ángeles Blancas, A Canción Galega, disco editado por Boa Recording (2001). Tamén impartiu cursos de interpretación para cantantes e pianistas no conservatorio da Coruña (1996 e 1998) e en Mondariz Balneario (2002 e 2003), cursos nos que participaron un bo número de alumnos galegos que hoxe en día teñen unhas carreiras exitosas. Coñecín persoalmente a Miguel xa na súa madurez artística, cando asistín ao I Curso Internacional de Canto de Denia (1995). Curso dirixido a pianistas e cantantes, como lle inculcara o seu mestre Erik Werba en Salzburgo. A partir dese curso cambiou o meu concepto do que debería ser un colaborador de cantantes e xa nunca máis esquecín as súas sempre ponderadas recomendacións. Gardo un caderno no que anotei algúns dos consellos cos que nos ía ilustrando, consellos que seguen e seguirán vixentes para as futuras xeracións de pianistas e cantantes; dicía: "Sempre buscar solucións cara a afrontar o recital. Moi importante respirar co cantante e ter coidado con elo. Non correr antes de andar. Coidar o patrimonio (voz) como un ben moi prezado. Unha vez que unha obra está ben musicalmente, despois buscar unha mellor forma artística. Non só hai que saber o que se di senón expresar o que se di. Non é o que se di senón como se di. Non tocar dúas pasaxes iguais da mesma maneira"... Miguel coñecía, tocaba e admiraba a música de compositores galegos como Adalid, Montes, Baldomir, Chané ou Gaos, entre outros. Prezaba a Eduardo Toldrá como o gran liederista español. Precisamente unha canción deste compositor, pola súa sinxeleza melódica e refinado acompañamento, facíalle esbozar un sorriso plácido: era As froliñas dos toxos, letra de Antón Noriega Varela, da cal deixo escrito o primeiro verso, que reflicte a esencia da peza e carácter do mestre: "¡Nin rosiñas brancas, nin claveles roxos! Eu venero as froliñas dos toxos".
NOS_4174
O festival de arte urbana inicia unha campaña en Goteo para recadar apoios.
En 7H Cooperativa Cultural botaron a andar un micromecenado en Goteo para poder realizar a II edición do festival DelasFest, un encontro feminista de arte urbana e contextual, unha iniciativa pioneira a nivel europeo que realizaron por vez primeira en 2019 co obxectivo de contribuír ao combate creativo das prácticas e discursos que sosteñen as condicións de desigualdade, tanto materiais como simbólicas, que sofren as mulleres creadoras nesta disciplina. Conversamos con Sara Alonso, socia traballadora de 7H, para saber máis deste festival. O DelasFest é un festival de arte urbana, cal é a súa cerna? O DelasFest é un festival feminista de arte urbana e contextual que organizamos desde 7H Cooperativa Cultural por vez primeira en decembro de 2019 como aposta continuadora do programa artístico educativo Elas tamén pintan, que é un laboratorio de formación práctica e teórica orientado a concienciar a mocidade sobre as desigualdades de xénero neste eido creativo e tamén a dotar as mulleres, sobre todo as máis novas, dun espazo formativo para crear libremente e de forma segura. Ao igual que o Elas tamén pintan, que en 2018 foi recoñecido pola Deputación da Coruña co Premio Begoña Caamaño á Acción Cultural pola Igualdade de Xénero, o DelasFest naceu co obxectivo de rachar coas desigualdades, tanto materiais como simbólicas, que sofren as mulleres nesta disciplina, na arte urbana. Por que decidiron optar polo mecenado para sacar adiante a segunda edición? O mecenado, por unha banda, responde ao enfoque participativo e colaborativo desde o que entendemos a cultura e aos procesos de produción que teñen. Detrás do festival estamos unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro, que como entidade da economía social situamos a busca do ben común, da transformación social por enriba dos beneficios económicos. Cremos que as redes de colaboración, o apoio mutuo e a solidariedade horizontal permiten plataformas como as de Goteo, ou iniciativas como as do mecenado, que son parte do protagonismo colectivo que nós sempre procuramos. A maiores, acudir ao financiamento colaborativo é tamén unha obriga para garantir viabilidade do festival porque se ben agardamos lograr financiamento a través do apoio dos concellos implicados e de empresas patrocinadoras, sabemos que os custos totais do proxecto van ser superiores. Ademais, a situación de crise provocada pola pandemia do coronavirus, que obrigou á práctica paralización da nosa actividade, que rachou con toda a nosa planificación, dificulta máis a obtención de recursos. A verdade é que agora mesmo, como boa parte das traballadoras e iniciativas do sector cultural e artístico, afrontamos o futuro con moita incerteza e ameaza reforzada dunha maior precarización. O éxito do mecenado é unha condición para poder continuar cos pinceis en alto. Que nos poden adiantar da programación deste ano? A nosa intención, sempre e cando logremos obter o orzamento que en Goteo se coñece como "óptimo", é organizar un festival baseado, ao igual que na primeira edición, na diversidade, na cooperación e na concepción da arte urbana como arte contextual. Queremos que haxa intervencións artísticas nos catro concellos participantes, Ames, Teo, Brión e Santiago; xornadas de convivencia entre as artistas convidadas, co obxectivo de que se poidan achegar á historia e á idiosincrasia do contexto no que van intervir, pois interésanos moito que xurda un diálogo creativo e non que as artistas veñan cunha idea preconcibida. Imos organizar catro obradoiros de creación, en cada un dos concellos participantes, con dúas orientacións diferentes e destinados a públicos distintos, tanto para persoas sen coñecementos previos, que se queiran iniciar no graffiti ou no muralismo, así como para aquelas que queiran perfeccionar os seus coñecementos. Co obxectivo de reforzar os espazos de diálogo procuramos realizar un par de faladoiros e un debate e, xa como colofón do festival, e como novidade a respecto da primeira edición, queremos facer un encontro de improvisación creativa, aberta a todo tipo de artistas.
NOS_6370
O anuncio do primeiro ministro portugués, António Costa, na pasada quinta feira, de manter o feche da fronteira coa Galiza até o 30 de abril agrava aínda máis a situación económica de moitas empresas e, en especial, do comercio que vive case con exclusividade do fluxo de mobilidade poboacional. Os principais pasos fronteirizos, Chaves-Verín e Tui-Valença, son os máis prexudicados.
O territorio transfronteirizo entre a Galiza e o norte de Portugal conta con 26 municipios, 16 galegos e 10 portugueses, e unha poboación aproximada de 400.000 persoas. A pandemia e o fechamento da fronteira a finais de xaneiro racharon o camiño de colaboración económica que marcaran no seu día como parte da Eurorrexión. As queixas dalgúns organismos e dos propios concellos conseguiron a mobilidade das traballadoras e dos traballadores desde o mes de febreiro. A medida anunciada agora polo primeiro ministro portugués, António Costa, bota abaixo as esperanzas do sector comercial fronteirizo e axita as protestas que tiveron lugar os últimos días. Na rolda de prensa en que se deu a coñecer este novo prazo, Costa xustificaba esta prórroga de 15 días polo acordo "co Reino de España" na confianza de que "todos os coidados son poucos", malia recoñecer que "xa sexa do noso lado, ou do outro lado, a pandemia tivo unha evolución positiva". Increméntase a ruína económica O vicedirector da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño, Uxío Benítez, asegura que con esta nova "pasamos de indignación a cabreo absoluto". Benítez afirma a Nós Diario que se demostra "día a día e prórroga a prórroga que se incrementa a ruína económica do territorio fronteirizo do río Miño". Lamenta que "cando as restricións sanitarias en Portugal, e aquí, se relaxaron e comezaron a abrir os horarios nos comercios esta decisión política dos Estados restou un 50% de clientes a ambos os lados" da raia. Por este motivo, reafírmase na demanda "urxente e xusta de que se instrúan mecanismos económicos compensatorios para o territorio do río Miño". Benítez incide en que "hai fondos europeos creados para compensar os danos económicos procedentes da Covid-19 e pedimos que haxa partidas económicas concretas do Next Generation aos territorios fronteirizos". Así mesmo, Pablo Rivera, secretario executivo da AECT Eurocidade Chaves-Verín, coincide en que no fondo de recuperación debería de adoptarse "algún modelo de compensación e de axuda para estas empresas e comercios que sufriron unha caída do consumo durante o fechamento de fronteiras". Igualar as medidas con outras fronteiras A prórroga demostra, segundo explica Rivera a Nós Diario, "un total descoñecemento da realidade deste territorio raiano", xa que "a eurocidade Chaves-Verín é un continuo poboacional que constitúe unha área funcional con permeabilidade nas relacións sociais e nos proxectos empresariais", con "grandes dinámicas económicas a escala transfronteiriza". Deste modo, propón que se adopten outras medidas como as que se implementaron na fronteira con Francia, "onde hai un control sanitario e exíxese unha proba PCR, mais coa exclusión do persoal profesional de transporte, traballadoras e traballadores transfronteirizos e as persoas residentes nun radio de 30 quilómetros". Mobilizacións na raia e descontento Comerciantes de Feces de Abaixo, no concello de Verín, mobilizáronse a pasada cuarta feira no paso fronteirizo para protestar por unha medida que consideran "inxusta". En declaracións a Chaves TV, aseguraban non entender as razóns polas que "non pode vir un portugués de Chaves a mercar aquí e deixan pasar vehículos con xente que vén de Suíza ou Francia". Séntense prexudicados e denuncian que os controis policiais funcionan só nesa zona comercial e non no resto do territorio. Ademais exixen que a Eurocidade "funcione de verdade" para que os seus negocios poidan optar como o resto ás axudas por ter que fechar os seus estabelecementos. Coa prórroga do feche, anunciaron que cortarán o paso fronteirizo todas as sextas feiras até que se escoite a súa demanda.
NOS_24126
O colectivo Fartas reivindica a retirada da figura ornamental cunha chamada telefónica anónima. A acción de protesta coloca o foco sobre o negocio das hipotecas, que deixa sen casa 50 persoas ao día na Galiza. Reclaman do goberno local e da Xunta "medidas que vaian máis aló das meras declaracións" e critican os adornos natalicios colocados pola cidade e pagados con diñeiros público namentres cada vez máis veciñ@s "fican condenadas á fame"
Ao belén que o Concello de Compostela, gobernado polo conservador Ángel Currás, colocou na praza do Obradoiro fáltalle a figura do neno Xesús. Comprobárono con sorpresa ducias de turistas que este sábado á mañá visitaron o portal. Segundo informa a plataforma Stop-desafiuzamentos Compostela nun comunicado enviado á imprensa, o colectivo Fartas reivindicou o "desafiuzamento" de que foi vítima este boneco a través dunha chamada anónima en que informaron tamén de que garanten "a integridade material" do Xesús. Con esta acción simbólica, ambos colectivos cidadáns colocan riba da mesa a problemática dos desafiuzamentos, que na Galiza afectan a unha media de 50 persoas ao día, segundo os últimos datos feitos públicos polo Consello xeral do poder xudicial. Cada vez que a banca deixa unha familia sen casa, son pola volta de tres persoas as que fican sen teito. Quéixanse da "escasa preocupación política" perante a situación d@s afectad@s polo negocio hipotecario e exixen medidas "que vaian máis aló das meras declaracións retóricas" pois as solucións, subliñan, "son sinxelas". No comunicado, redactado en ton humorístico, deixan claro que Xesús "declarou comprender perfectamente que as activistas fiquemos fartas", e acrecentou que partilla "punto por punto" as reivindicacións de Stop-desafiuzamentos Compostela pois tamén el se declarou "farto de que se dilapiden cartos en encher a cidade de motivos de nadal cando cada vez son máis as veciñas e veciños condenados á fame". Stop-desafiuzamentos e Fartas adiántanse xa ás posíbeis declaracións do alcalde santiagués para informar de que "os auténticos vándalos son a banca e os seus gobernos cómplices". En poucos días a figura do belén compostelán voltará descansar sobre as pallas.
NOS_40992
A Avogacía do Estado confirma que non presentará un recurso contra a decisión da Audiencia Provincial malia a polémica decisión de pedir unha compensación económica para a familia do ditador Francisco Franco.
A decisión da Audiencia Provincial da Coruña sobre a entrega do pazo de Meirás ao pobo, representado polo Estado, está rodeada de polémica pola parte da sentenza que condena á Administración pública a indemnizar á familia do ditador. A pesar das voces que xurdiron en contra desta especie de compensación ás herdeiras de Franco, a Avogacía do Estado comunicou esta tarde que non haberá recurso contra a sentenza. Malia ter que destinar fondos públicos aos achegados de Francisco Franco, o Estado considera que o auto que deixa Meirás como patrimonio público resulta "favorábel" aos seus intereses. Polo tanto non intentará ficar sen pagar unha cantidade elevada que desde a defensa dos Franco estiman arredor dos 800.000 euros. Isto é así porque a Audiencia considera que a familia non foi posuidora "de mala fe" deste ben e que ten dereito a verse indemnizada polos gastos de mantemento realizados desde 1975, é dicir, máis de 45 anos atrás que o complexo estivo en mans privadas. Así o explicaron a Europa Press fontes do Ministerio de Xustiza, que xustifican a decisión de non presentar recurso unicamente na teoría de que o fallo é "favorábel" aos intereses do Estado. En canto á indemnización, indicaron que o procedemento é que os Franco expoñan unha contía. "E sobre esa cantidade valorarase", expuxeron. Moi por enriba e con impostos O letrado da familia do ditador, Luis Felipe Utrera-Molina cifrou, segundo afirma Europa Press, nun importe "sensiblemente superior a 800.000 euros" só a indemnización que correspondería aos seus clientes por "a reconstrución" do inmoble. Aliás desa contía, prevé que o que van pedir aumente de forma "moi considerábel" ao incluírse tanto os gastos de mellora como os de conservación até o ano 2020, "impostos incluídos", apostilou. Dado o contexto, o que si vai recorrer é o Concello de Sada -no que se atopa o pazo- porque considera que si existiu esa "mala fe", ao igual que outras institucións. Mentres, a idea das herdeiras é acudir ao Tribunal Supremo para poder recuperar mesmo o inmoble. Após coñecer a decisión da Avogacía do Estado, o rexedor sadense Benito Portela lamentou a "pasividade" amosada polo Goberno do Estado español e interpreta que os Franco son "os grandes beneficiados". "Lexitimar o franquismo" Con estas últimas novas sobre a posición do Estado, o deputado do BNG no Parlamento Luís Bará anunciou que vai levar unha moción para instar á Xunta a ir contra a sentenza da Audiencia coruñesa que, na súa opinión, "despide un insoportable tufo franquista". Tamén argumenta que son os Franco os que teñen que pagar "por todo o que roubaron" e non Galiza "dúas veces". O nacionalista considera que o fallo fai unha valoración dos feitos "favorable e a beneficio do Franco" pola indemnización que lles recoñece e polo feito de que o faga desde 1975 "e non desde 2018 cando foron declarados herdeiros", cita entre outros argumentos. De feito, para o Bloque, o ditame buscaría "lexitimar e branquear o franquismo". Bará chega a exixir "responsabilidades a todos os poderes do Estado que desde 1975 favoreceron e protexeron os intereses do Franco", apuntando a figuras como a do rei emérito Xoán Carlos I.
NOS_30685
O vindeiro 4 de decembro, 30.336 ensinantes teñen dereito a participar nunhas eleccións das que sairán 140 delegad@s sindicais. Nas anteriores eleccións, CIG-Ensino situouse como primeira forza co 43% de representantes. O seu secretario nacional, Anxo Louzao, fai balance destes catro anos e fala dos obxectivos de cara aos vindeiros.
-O 4 de decembro están chamados ás urnas 30.336 ensinantes, 2.044 menos que nas pasadas eleccións. Que supón ese descenso no censo electoral? Vén certificar o resultado da política do PP. O denominador común da política educativa do goberno galego foi a destrución de emprego e os recortes no ensino público. A esta cifra haberíalle que engadir os mil que se suprimiron no curso anterior co que estaríamos nun descenso de arredor de tres mil ensinantes. Porén, nestes catro anos xubiláronse houbo preto de 4.000 xubilacións e a oferta de emprego foi de pouco máis de cincocentas prazas. Deixa á vista tamén a mentira permanente do Conselleiro de Educación que repetidamente afirma que as reduccións do profesorado foron mínimas. -Por que son importantes estas eleccións? Porque non só miden a representación que vai ter cada organización senón tamén o grao de compracencia ou rexeitamento da política educativa da Xunta. Neste sentido, entendemos estas eleccións como unha maneira de amosar a oposición a todas as afrentas e o linchamento ao que foi sometido o profesorado nestes anos. Tamén mostrará o rexeitamento da LOMCE e, en termos xerais, á unha política educativa que insistiu en recortar un servizo básico elemental como é o ensino. A CIG, nese sentido, é un inimigo a bater por parte da propia Consellería. O propio conselleiro ten manifestado que vería con preocupación o avance da CIG-Ensino. As eleccións medirán tamén a forza que teremos para continuar a loita por conseguir os nosos obxectivos. O profesorado co seu voto evidenciará o grao de rexeitamento aos ataques que recibiron os noso dereitos laborais e salariais, as conquistas sociais, os servizos públicos e o noso idioma e evidenciarán o repudio a unha consellería autoritaria, antigalega, submisa aos mandatos de Madrid. O profesorado pode, co seu voto, condenar os recortes da política educativa e afortalar a loita contra a LOMCE. "Estas eleccións como unha maneira de amosar a oposición a todas as afrentas e o linchamento ao que foi sometido o profesorado nestes anos. Tamén mostrará o rexeitamento da LOMCE" -No balance destes catro anos, vostedes destacan o teren convocado nove folgas, centenares de actos de protesta e promovido 12.000 asembleas nos centros. O modelo de organización sindical da CIG ten a súa trabe no contacto directo, a pé de obra, co profesorado. Estivemos á fronte dos conflitos e conseguimos que o profesorado vira que estabamos ao seu lado e que eramos unha ferramenta imprescindíbel. As 12.000 asembleas son a mostra que certifica o noso modelo sindical, que se opón ao modelo de representación pouco democrático que impón a Consellería que deseña unhas eleccións con carácter provincial e non por centro de traballo. Este traballo diario debuxa tamén unha fenda importante coas outras organizacións sindicais e mostra modelos diferentes. Para nós o profesorado é o protagonista e iso explica a nosa actividade nos centros. Propiciamos, promovemos e esforzámonos en conxugar a máxima forza posíbel para combater os ataques aos que fomos sometidos, os recortes e a destrución do ensino público. A CIG-Ensino canalizou a maior parte da conflitividade educativa con nove folgas, peches, concentracións, manifestacións recollida de sinaturas e todo tipo de mobilizacións. A mostra de que se valora o noso traballo é que o profesorado -moitas veces, e non de forma anecdótica, mesmamente a afiliado a outras organizacións- recorre á CIG para resolver os seus conflitos. No traballo destes catro anos temos que destacar o referendo que levamos a cabo contra os recortes, a ampliación de horarios e en oposición a que o profesorado custodiara ao alumnado que é transportado Participaron preto de 20.000 docentes de 863 centros nunha consulta que foi promovida pola CIG -co rexeitamento dalgunhas organizacións- e que supuxo unha lección e participación e democracia na media en que foi autoxestionado polo propio profesorado dos centros. -Outra das liñas de actuación foi a presentación no Parlamento de Iniciativas Lexislativas Populares. Con que obxectivo recorren a esta vía? Presentáronse tres iniciativas lexislativas e rematamos a recollida de sinaturas da cuarta. O obxectivo era mostrar o apoio social e levar ao parlamento a protesta contra a liquidación de Preescolar na casa, contra o plus dos altos cargos ou pola creación de emprego. Algunhas con carácter máis específico e outras de maneira máis global, todas repercuten no ensino como servizo público. De aprobarse a que está pendente de defenderse no parlamento que promove a restitución dos dereitos laborais e retributivos do profesorado e a mellora da calidade do ensino suporía unha revolución na educación de Galiza. O seu articulado recolle, amais da mellor e recuperacións dos salarios e dereitos do profesorado todo unha batería de propostas que fixan os alicerces dun modelo educativo galego, inserido na realidade nacional, público, laico , coeducativo, gratuito , democrático. -Os conflitos polo ensino pasaron en repetidas situacións neste tempo polos xulgados. Que alcance ten esa medida e en que situación sitúa á Consellería de Educación? Neste tempo gañamos dezasete sentenzas en distintas instancias dos tribunais que repercuten positivamente no conxunto do profesorado e do sistema educativo galego, ademais de numerosas reclamacións individuais. A carencia absoluta de vontade de negociación da Consellaría levounos a botar man como última medida dos tribunais, non porque nos defendamos que é onde se teñen que dilucidar os conflitos laborais e educativos mais, en moitos casos, foi o único camiño que nos quedou cunha administración do PP que negou o mínimo diálogo en todo este tempo. O Tribunal Supremo estimou o recurso presentado pola CIG-Ensino, declarando ilegais os concertos educativos desde o ano 2009 ao 2014 a centros que segregan alumnado por razón de xénero. Tamén temos recorridos os outorgados no 2013 até 2017. Posteriormente aprobouse a LOMCE que vén dar carta de legalidade a subvención a estes centros que se asentan en idearios de centros reaccionarios . Reclamamos que os doce millóns de euros que saíron da administración do 2009 ao 2013 volvan ao erario público porque foron cartos concedidos de forma ilegal a estes centros. Por iso presentamos denuncia diante da fiscalía e o xulgado de garda para que ese diñeiro volva as arcas públicas. A CIG gañou a sentenza para que o profesorado puidera ter recoñecemento médico anual, tamén a sentenza contra o decreto do plurilingüísimo e diferentes sentenzas que declararon nulos os despedimentos do profesorado do CELGA, entre outras moitas. "As instancias xudiciais coas súas sentencias falan tamén da pouca lexitimidade que ten este Conselleiro. É difícil atopar un mandatario que atesoure tantas actuacións ilegais e actitudes represivas". -En que situación deixan estas sentenzas ao Conselleiro? Con esta bagaxe o normal sería que o Conselleiro estivera encausado por prevaricación. Se tivera dignidade razóns non lle faltarían para ter presentado a dimisión. As instancias xudiciais coas súas sentencias falan tamén da pouca lexitimidade que ten este Conselleiro. É difícil atopar un mandatario que atesoure tantas actuacións ilegais e actitudes represivas. A propia páxina oficial da Consellería, un portal institucional que ten como obxectivo formar e informar, foi usado como arma arroxadiza contra a CIG e fomos citados con calumnias obxectivábeis e falsas informacións. Estamos ante un conselleiro con submisión total de vasalaxe cos mandatos de Madrid que pon a Galiza como centro de experimentación como se comprobou na propia LOMCE. Nestes catro anos, o único polo que se pode recoñecer é pola destrución do ensino público en beneficio do privado. -A LOMCE estivo no centro das mobilizacións. Cal será a súa posición ao respecto da lei de cara ao futuro? Levamos a cabo dúas folgas en contra desta lei e foron númerosas as mobilizacións, accións e actos que desde a plataforma galega endefensa do ensino público levamos a cabo pala combatila. Non cexaremos até que a lei sexa derogada. Foi e será sendo unha loita permanente. Temos propostas para tentar que a súa aplicación sexa o menos nociva posíbel, mais o obxectivo é a súa derrogación porque o resultado da LOMCE é un ensino clasista, que desbota a igualdade de oportunidades e liquida o dereito á educación. Como denunciamos, españoliza máis o noso sistema educativa e potencia a confesionalidade do ensino, é privatizadora e elimina calquera vestixio de xestión democrática. Bebe e nace dos postulados do neoliberalismo como se pode comprobar con claridade nos principios modelo de xestión, os currículos e a creación de determinadas materias. A lei pensa o ensino como unha mercadoría máis á que só uns cantos poden acceder. En lugar de actuar para minguar as diferencias sociais o que fai é acrecentalas. O combate á lei, coa galeguización do ensino , a defensa do ensino público e dos dereitos laborais dos ensinantes serán eixos do noso traballo futuro. -A campaña que están a desenvolver fita neses obxectivos como puntos de atención? Amais baseamos a campaña en facer un balance do noso traballo nestes catro anos, queremos dar conta del porque foi o que sementamos. A importancia e necesidade dun modelo sindical galego, combativo, participativo, sen hipotecas, nin sometido a decisións alleas e para nós, tamén,un punto de atención nesta campaña . Procurar un sistema educativo galego mediante a aprobación dunha lei galega de educación que dedique o 7% do PIB ao ensino, combater a política educativa españolizadora, derrogar o decreto de plurilingüismo e aplicar o plan xeral, reducir o número de alumnado por aula , dotar os centros de profesorado suficiente en todas as especialidade e facer fronte a atención a diversidade, supresión da taxas de reposición, a gratuidade dos libros de texto , etc de son algúns dos nosos obxectivos. A loita contra os concertos educativos, contra a LOMCE, por outro modelo de representación e a restitución e mellora dos dereitos laborais conxuntamente coa estabilidade dos postos de traballo, a recuperación dos nosos salarios, pagas extras e horarios, o dereito a xubilarse anticipadamente e o dereito a formación continúa son outras das reclamacións que seguirán conducindo a nosa actividade sindical. En definitiva, a consecución dun Estatuto Galego do Profesorado que recolla as ás reivindicacións laborais e profesionais do profesorado e unha Lei Galega da Educación que, partindo da ILP que proximamente imos defender no parlamento, garanta a galeguización do ensino, a gratuidade da educación e a igualdade de oportunidades. -A CIG ten na actualidade a representación do 43%, que obxectivo se marca de cara as vindeiras eleccións? O noso obxectivo é consolidalos e, a ser posíbel, acrecentalos aínda que os de hai catro anos foron uns bos resultados que demostraron que o profesorado recoñece o noso traballo. O resultado destes catro anos a nivel laboral para o profesorado é de menos salario e máis traballo, cada vez con máis dureza. Na medida en que nestes catro anos plantámoslle cara aos conflitos e saben que estamos a súa beira, o apoio tería que consolidar o obtido hai catro anos. O traballo feito é o noso aval.
NOS_28945
A dez días do Nadal, a situación epidemiolóxica en Europa dista moito da estimada hai un mes cando se estabeleceron as restricións para chegar a estas datas con maior folgura. Agora, o medo ao descontrol posvacacional levou a un cambio de plans e Alemaña foi a primeira en dar o paso de endurecelas.
Mañá entrarán en vigor as medidas decretadas en Alemaña o domingo ante o agudo incremento de contaxios de Covid, que volveron bater récords. O medo a que o coronavirus se volva incontrolábel tras as festas do Nadal levou a presidenta do Goberno, Angela Merkel, e os dirixentes dos 16 Estados federados a ordenaren o fechamento de todos os estabelecementos comerciais non esenciais: só abrirán supermercados, bancos e farmacias. Fechan tamén todos os centros educativos. A drástica decisión permanecerá activa até o 10 de xaneiro. Esta segunda feira as colas diante de numerosas tendas foron a tónica en moitas cidades, segundo recolleu o diario FAZ. Neste sentido, o ministro federal de Economía, Peter Altmaier, pediu en declaracións ao Bild que a cidadanía se abstivese de comprar regalos de Nadal e se limitase a adquirir só o esencial nestes dous días previos ao fechamento total. Tamén o presidente de Alemaña, Frank-Walter Steinmeier, fixo un chamamento público a aceptar as novas restricións á vida pública e á actividade económica co fin de conter a pandemia, xa que as adoptadas en novembro "non foron suficientes". A situación é "gravísima", dixo, mais engadiu: "A pandemia non nos vai roubar o futuro". Contaxios disparados Porén, Alemaña non é o único Estado da UE que se dispón a restrinxir ao máximo a actividade pública co fin de conter o virus e evitar o colapso dos centros sanitarios. Países Baixos tamén decidiu unha estrita clausura na mesma liña que os seus veciños xermanos, mais estendida até o 19 de xaneiro, segundo avanzaron a canle pública, NOS, e o principal periódico do país, De Telegraaf. No domingo, segundo datos recollidos polo departamento de seguimento da Covid da Universidade Johns Hopkins, rexistráronse 9.937 contaxios. Máis ao norte, no Reino Unido, a capital inglesa, Londres, entrará ás 00.01 horas de mañá no nivel 3 de emerxencia, o máis alto do sistema de tres introducido o pasado 2 de decembro en Inglaterra polo Goberno británico, segundo informou onte o periódico The Guardian. A medra de contaxios "fóra do normal" ─sinalou o ministro de Sanidade, Matt Hancock, ante o Parlamento─ levou a esta decisión. Os datos apuntan case 24.000 casos na última semana. Tamén en Francia o número supera todas as expectativas. Alí hoxe é o primeiro día sen confinamento desde que entrou en vigor o pasado 30 de outubro. Non obstante, daquela agardábase que nesta altura a afectación fose menor. Francia, ao igual que varios dos Estados da UE, calculou que o descenso no número de contaxios sería moito maior grazas ás restricións. O presidente galo, Emmanuel Macron, fixárase como obxectivo unha cantidade de novos casos diarios de menos de 5.000, mais a media da última semana está arredor de 12.000 cada 24 horas. Segundo datos da Santé publique France (o Sergas francés), houbo 11.533 novos casos o pasado domingo (e 150 mortes) e 13.947 na xornada do sábado. Bares fechados Aínda que finaliza o confinamento, haberá un toque de recoller entre as 20 horas e as 6 horas, coa excepción da Noiteboa. Ademais, os bares e restaurantes permanecerán fechados até o 20 de xaneiro. Como mínimo. "Non podo dicir con certeza que reabriremos bares e restaurantes o 20 de xaneiro", declarou onte o ministro de Economía, Bruno Le Maire, nunha entrevista na canle de noticias France Info. As manifestacións do representante gobernamental chegaban asemade que o sector da hostalaría saía ás rúas para reclamar que son un sector "esencial", en referencia ás excepcións na apertura de locais comerciais. "Déixennos traballar", reclamaron nunha masiva manifestación en París, con profesionais chegados de todo o Estado. En Italia tamén se prevén medidas máis restritivas para estas datas festivas, que poderían entrar en vigor esta mesma fin de semana e se estenderían até despois de Reis. Hoxe, Giuseppe Conte e varios dos seus ministros mantiveron unha reunión co comité de expertos para analizar a situación, informou La Repubblica: o Goberno está dividido entre un modelo máis laxo ou o alemán. A visita dun Papá Noel a un centro de maiores de Anveres deixa 75 infectados coa Covid-19 Un total de 61 residentes e 14 empregados dunha residencia de maiores de Mol, na provincia flamenga de Anveres, resultaron contaxiados coa Covid tras a visita dun home vestido de Papá Noel. O alcalde da localidade, Wim Caeyers, sinalou en declaracións a VRT News que o acto lúdico con motivo das festas de Nadal fora un "erro", malia ser feito "coa mellor intención". En todo caso, lembrou que estas actividades están prohibidas e que a responsabilidade recae na empresa xestora da residencia Hemelrijck (na imaxe), de 169 usuarios. O home caracterizado como Papá Noel resultou ser un "supercontaxiador" e non notou síntomas até un día despois. A empresa xestora dixo inicialmente que se respectaran todas as medidas de seguridade, mais fotos dos familiares publicadas por VRT News probaron o contrario.
PRAZA_15220
A coalición de esquerdas manifesta o seu apoio "á loita das traballadoras e traballadores de Hospital Povisa", así coma o seu "rexeitamento ás políticas de recortes de dereitos e empobrecemento que a familia Silveria Martín está a impoñer"
A familia Silveira Martín, propietaria do Grupo Nosa Terra 21 e dona do hospital privado Povisa, recibiu o pasado venres o VII Premio Familia Empresaria de Galicia. O acto, celebrado en Vigo, contou coa participación de Alberto Núñez Feijoo, que na súa intervención eloxiou a familia propietaria e dixo: "gustaríame que Galicia fose unha sociedade parecida ao Grupo Nosa Terra 21" ou "necesitamos empresarios como a familia Silveira Martín". Mentres no interior do Club Financiero de Vigo se desenvolvia a gala, os traballadores e traballadoras de Povisa protestaban contra os propietarios do hospital e demandaban un novo convenio. Núñez Feijoo na súa intervención eloxiou a familia propietaria e dixo: "gustaríame que Galicia fose unha sociedade parecida ao Grupo Nosa Terra 21" ou "necesitamos empresarios como a familia Silveira Martín" A este este respecto Alternativa Galega de Esquerda critica que nos últimos anos os e as traballadoras de Povisa sufriron "represión sindical, incumprimento de sentenzas, despedimentos, redución de xornadas, precarización do traballo e da calidade asistencial, débeda dos atrasos correspondentes ao ano 2010 e a conseguinte actualización dos salarios". E engade que "se a sociedade galega se parecera ao Grupo Nosa Terra 21, carecería de liberdade de acción e opinión, viviría en precario, a calidade asistencial estaría condicionada aos beneficios, a flexibilidade horaria non tería límites e o único idioma oficial sería o castelán". AGE manifesta o seu apoio "á loita das traballadoras e traballadores de Hospital Povisa", así coma o seu "rexeitamento ás políticas de recortes de dereitos e empobrecemento que a familia Silveria Martín está a impoñer".
NOS_31901
O escritor, autor dunha das obras máis influentes da literatura galega das últimas tres décadas, tramita a súa alta como afiliado do BNG. Así o anunciou na súa conta twitter. Referente intelectual no seu día da Esquerda Galega de Camilo Nogueira, Suso de Toro (Compostela, 1956) xa fixo parte da candidatura do Bloque ao Parlamento europeu en 2014.
Con 70,4 mil seguidores en twitter, nos últimos tempos Suso de Toro tense revelado como un incansábel activista a prol dos dereitos nacionais dos pobos, con especial destaque para a causa autodeterminista catalá. É precisamente a través desta rede como o autor de Polaroid revela que solicitou a súa alta como afiliado no BNG. Faino como produto dunha reflexión xeral —"levo décadas analizando a vida social e política galega e española e xa sei o que da de si"— e impulsado tamén, talvez o empurrón definitivo, pola actitude adoptada polos diferentes actores da política estatal en relación ao tratamento dado a Galiza na proposta de orzamentos do estado para 2019: "Finalmente vexo como tratan a Galicia os partidos estatais nos presupostos cando non temos representación propia. Estamos indefens@s." Solicitei afiliación ao BNG. Levo décadas analizando a vida social e política galega e española e xa sei o que da de si. Finalmente vexo como tratan a Galicia os partidos estatais nos presupostos cando non temos representación propia. Estamos indefens@s.— Suso De Toro (@SusodeToro1) 17 de janeiro de 2019 O anuncio tivo un inmediato eco. 879 corazóns a respaldar a decisión do escritor, 265 rechíos e múltiples comentarios, entre eles o da eurodeputada do Bloque Ana Miranda —"benvido Suso, sempre co corazón en Galiza. É unha honra enorme para nós ter a alguén tan valente e comprometido como ti"— e o do responsábel de comunicación da frente nacionalista, Xavier Campos —"Benvido Suso! Un pracer compartir casa para construír futuro"—.
PRAZA_20358
ENTREVISTA | Lorena Conde, coñecida polo seu traballo como actriz e directora teatral, gañou o premio González Garcés de Poesía con Entullo.
Tras o derrube, a desintegración, vén a reconstrución. Os muros, máis fortes, erguidos cos cascallos. Coas pezas que aínda valen. Desbotando as demais. Diso fala Entullo, o libro co que Lorena Conde gañou o Premio de Poesía Miguel González Garcés 2016. A autora era coñecida polo seu traballo no teatro, sobre todo en Matrioshka. Con este poemario, revélase coma unha poeta que fai, da imaxe, a súa mellor forma de expresión. Coa palabra xusta. Empeza o libro cunha dedicatoria a catro mulleres, entre elas María Victoria Moreno. A escolla desas mulleres dá pistas sobre o contido do poemario... Cando o libro estaba xa a piques de publicarse preguntáronme da Deputación, na fase de maquetación, se quería engadir algo. E si, tiña que engadir unha mención a mulleres que foran moi importantes na miña vida. Hai máis, pero no libro quixen lembrar as que xa non están comigo, por todo o que me deixaron. Por iso, que estivesen no libro era unha cuestión de xustiza. Son mulleres poderosas, exemplos de fortaleza. "Tiña que engadir unha mención a mulleres que foran moi importantes na miña vida" Unha cita de Beckett encabeza o primeiro poema. Logo sae outra vez, polo menos, no libro. E ti vés do teatro… A relación entre Beckett e o libro vén de que, cando empecei a tomar as notas que despois acabaron sendo un libro, cadrou que estaba lendo moito a Beckett. Non eran obras amables, senón bastante duras, e eu mesma estaba a pasar un momento revirado, polo que me resultaba fácil recoñecerme no que estaba a ler. Por iso pensei que non estaría mal mencionar a Beckett… Por que se chama Entullo? Porque fala de destrución, de demolición e dos cascallos que quedan despois dela. Penso que son ciclos continuos: pasamos a vida derrubándonos e reconstruíndonos outra vez… Somos como estruturas dinámicas que se constrúen sobre a demolición de estruturas anteriores. "Somos como estruturas dinámicas que se constrúen sobre a demolición de estruturas anteriores" A propia estrutura do libro revela un proceso, do mal e a ferida ao alivio. Cando recompilei as notas si que percibín un proceso, que despois reflectín con esa sorte de prólogo que leva cada parte, como as estacións no camiño. Como tomaches a decisión de transformar as notas en libro? Son bastante desordenada escribindo: abandono e retorno… Pero con este libro fun máis constante. Chegou un momento que vin que as notas que estaba a escribir tiñan unha estrutura, que podía darlles unha forma para que fosen publicables. Despois empecei a traballar no libro dun xeito máis dedicado. Habitante e Corpo están por un lado e Engano polo outro. Aínda que tamén hai tensión entre Habitante e Corpo. Son case como personaxes dun relato, ou dunha obra de teatro. Cando acabei de escribir o libro comecei a envialo a certames, paseillo a un amigo para que o lese. El xa me dixo que era un poemario un pouco teatral: con escenarios e personaxes… Era algo no que eu non reparara. Pero si, todo o mundo mo di… Hai un choque de forzas, si, entre Habitante, Corpo e Engano. Aínda que é na loita entre Habitante e Corpo onde está a esencia de todo. En función de como se xestione esa loita, decídese que vai pasar en Entullo. É como se Corpo quixese arrastrar a Habitante e Habitante tivese que loitar contra iso para repoñerse. Si, é unha dinámica recoñecible no contexto de procesos emocionais duros. Os procesos do corpo son os máis visibles, pero o máis importante, aínda que non se perciba, é a ferida interior, que estaba xa antes de que se notase no corpo. Habitante xa está moi deteriorada, e o estado do Corpo á e expresión física do seu proceso de derrube interior. "Os procesos do corpo son os máis visibles, pero o máis importante, aínda que non se perciba, é a ferida interior" Na primeira lectura, pode parecer que o libro está a falar de maltrato psicolóxico. Na segunda, que podería ser calquera proceso de derrube e recuperación da persoa, por distintas razóns: unha enfermidade, a perda… Eu sei a historia que hai detrás, pero non é o importante. Interésanme as interpretacións que fan as distintas persoas que leron o libro. Pero si, a miña intención ten máis que ver con esa lectura que apuntas. Poderían ser diversos procesos, unha depresión por exemplo, que impliquen unha loita con un mesmo. Os estímulos externos poden ser moitos. Pero a loita crucial está dentro. Tamén ten que ver coa experiencia de vivir o corpo dun xeito contraditorio, cunha constante tensión, debido á presión á que se nos somete, sobre todo ás mulleres, respecto a como ten que ser o noso corpo. O xurado do premio Miguel González Garcés subliñou, do poemario, a construción de imaxes. Como pensaches iso? E o estilo? Non é algo tampouco que pensase moito. Pero si é verdade que utilizo, cando escribo, unha linguaxe bastante simple. Non hai que remexer moito para entender o que quero dicir. Despois, as imaxes sáenme sen pensalo moito, supoño que tamén pola influencia do teatro. Estou afeita a traballar as ideas a partir da imaxe, a traducir as ideas a imaxes. Cando escribo teatro procuro utilizar as palabras xustas. A imaxe ten que ser moi directa, ten que falarme moi directamente. "Estou afeita a traballar as ideas a partir da imaxe, a traducir as ideas a imaxes" A voz poética fálalles a outras Habitantes, pasadas e futuras. E quere darlles forza, ánimo. Porque van bater con máis Enganos e teñen que saber reaccionar. Na vida vamos cambiando de gustos, de amigos, de ambientes… Hai traballos que fixen hai 10 anos nos que non me recoñezo moito porque eu xa non a mesma persoa que hai 10 anos. Somos o que fomos, as nosas habitantes pasadas, e o que seremos, as nosas habitantes futuras. O que lles pasou ás nosas habitantes pasadas serve como experiencia para as que veñan despois. Como dicía o meu avó, que quen lle dera ter 30 anos co que sabía. A experiencia é un valor, e sobre todo a experiencia compartida, colectiva, a sororidade, a experiencia de todas as mulleres xuntas é algo moi importante a preservar e potenciar. "A sororidade, a experiencia de todas as mulleres xuntas é algo moi importante a preservar e potenciar" En Manawee, a primeira obra da compañía de teatro á que pertences, Matrioskha, fálase de xestionar as emocións que parecen superarnos… O texto é teu, e ten algunha conexión quizais con Entullo nese sentido, aínda que o ton sexa totalmente diferente. Pode haber algunha conexión, si. Entull' é o meu primeiro libro. O resto das cousas que escribín son textos de teatro. Non é algo do que fose consciente pero, si, repasando os textos que escribo, si que me decato de que falo duns temas que, tomados de xeito global, son os mesmos, aínda que os obxectivos sexan distintos. É unha conclusión á que cheguei hai pouco, aínda que noutro momento podo pensar outra cousa. En calquera caso, eu sempre tento ser honesta e directa, e iso lévame, como falabamos antes, á imaxe… Resúltame máis fácil expresarme dese xeito máis indirecto, a través da imaxe… E é lóxico que, partindo do mesmo sitio, saian textos con conexións entre eles. A imaxe, por certo, estaba moi presente na primeira obra de Matrioskha, C'est la vie, que se presentaba como unha reflexión sobre o tempo. Si, pero nese caso foi sobre todo polo traballo de Marta Pazos como directora. Penso que estivo moi acertada. E eu penso que, si, que o exceso de palabra enturba o que se quere dicir. A compañía Matrioskha foi creada por ti e por Anabell Gago. Para facer, di a vosa web, pezas contemporáneas, valentes, fermosas, imaxinativas, poéticas, lúdicas e directas. Anabell e eu coincidiramos xa antes noutros espectáculos antes de crear Matrioskha. Xa falaramos, moito antes, de iniciar un proxecto xuntas, pero foron cruzándose polo medio outras cousas. Cadrou cunha época na que no teatro galego había traballo. Pero despois pasaron os bos tempos e veu a crise, e como as dúas estabamos sen moitas expectativas de traballo nese momento, foi a oportunidade para fundar Matrioskha. Como un triángulo é sempre máis estable, incorporouse despois Chelo do Rejo, co cal quedounos un triángulo perfecto. O humor está bastante presente no traballo de Matrioskha. A min paréceme imprescindible. Cando falamos de cousas densas, fondas, do que nos remove por dentro, precisamos do humor. Porque a vida tamén é saír da casa facer a compra e perder o bus… Non é todo profundo… Por gordo que sexa o que che pasa, o humor axuda a ter perspectiva e velocidade de reacción. Formas parte de A Sega, que acaba de ser premiada na Gala do Libro Galego. Si, desde hai pouco. Coñecín a Eli Ríos na entrega dos premios Torrente Ballester, conectamos moi ben, falou coas outras… e pouco despois entrei. Son a que leva menos tempo. Antes de en Matrioskha traballaras en varias compañías. Son bastantes, si. A única profesional, ademais de Matrioskha, é Berrobambán. Despois, estiven en varias compañías de teatro universitario. Do 2008 a 2014 dirixín Enlata Teatro, que fora impulsada pola Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago. Ti mesma comezaras no teatro universitario? Si. Eu tiña claro que quería ser actriz, pero daquela aínda non existía a escola de Vigo e eu non quería marchar. Por iso, ao final, matriculeime en Filoloxía. Alí había moitos grupos de teatro. Empecei en Captatio Benevolentiae, e a partir de aí sempre fixen teatro. Con Enlata estiven varios anos e foi unha experiencia moi boa, o que pasa é que chegou un momento no que xa non había universitarios, entón xa non tiña sentido. Foi esmorecendo, pero como tiñamos un grupo de xente moi cohesionado, formamos outra compañía, que foi coma unha rama de Enlata, que chamamos Farrapo. "Temos as dificultades que ten sempre o teatro universitario, que é que hai que poñerlle moito empeño, moita enerxía…" Temos as dificultades que ten sempre o teatro universitario, que é que hai que poñerlle moito empeño, moita enerxía… Nós tivemos sorte co local de ensaio porque nos acolleron no centro sociocultural do Castiñeiriño, así que a dificultade ben máis de cadrar horarios para atopar cando ensaiar xuntos… Temos en cartel Frío, un espectáculo de máscara, sen texto, que nos está a ir ben. Gañamos catro premios no Festival Cale-se, en Vilanova de Gaia, Portugal. O teatro universitario semella estar bastante vivo, polo menos polas mostras… Si. Á marxe da actividade que xorde da ESAD, a min sorprendeume, cando cheguei a Santiago no 98, a vitalidade que tiña o teatro universitario. Había como 15 compañías que participaban na Mostra. Penso que o número non debeu baixar… En que consistiu o proxecto de creación Ad Hoc? Tiñamos un espazo cedido no centro sociocultural de Santa Marta para facer microespectáculos sobre un tema que iamos decidindo. Primeiro foi sobre convivencia lingüística e despois sobre violencia obstétrica. A intención era ir habitando os espazos do centro sociocultural… Foi unha boa experiencia tamén. Tedes aínda en cartel Manawee? Si, e tamén C'est la vie. Estamos a pensar no seguinte proxecto, pero a situación é complicada. Mellor o teatro universitario ou o profesional? O universitario é unha experiencia fantástica no sentido de que podes arriscar máis. Non tes medios pero tampouco tes un investimento que perder. É unha oportunidade para arriscar, errar e aprender. Agora, cando traballo, hai moitas cousas que sei de onde viñeron, como as aprendín… Polo demais, a dificultade vén de ter que ser unha empresa. Ningunha de nós ten ese espírito empresarial, polo que é ás veces moi duro, porque tes que dedicar moito tempo a iso, en lugar de facer traballo creativo. Pero, todo o demais, encántame. O libro leva ilustracións. Teñen algo chinés… Pois fíxenas eu. Tiña uns bosquexos que tiven que limpar e pulir porque non eran publicables. Refíxenos e ordeneinos.
NOS_24484
Tino Grandío, Xoán Piñón, Cuchús Pimentel ou Emilio Cao son algúns dos membros do grupos de rock progresivo dos anos setenta en Compostela, N. H. U. que será recoñecido co Premio Honorífico da Música.
José Ferreiro -batería, voz e frauta traveseira- , Roberto Abal na guitarra, Xoán Piñón a guitarra eléctrica, Julio Ferreiro na percusión, Tino Grandío no baixo, Cuchús Pimentel na guitarra, Emilio Cao ao baixo, Antonio Bretch na guitarra eléctrica e Xurxo Pérez como organista compoñen a nómina dos integrantes da banda de rock progresivo dos anos setenta en Compostela que recibirá o Premio Honorífico da Música na súa segunda edición. Músicos ao Vigo, organizadores da convocatoria, deciden recoñecer o papel de N.H.U. por se tratar dun "proxecto musical avanzado ao seu tempo, aglutinador dunha xeración de músicos inquedos, inconformistas e entregados a un proxecto minoritario, underground e carente de referentes próximos". Valoran tamén "a valentía, a ousadía e a fe dun grupo galego que trazou novas formas de facer música nunha Galicia recén saída da ditadura franquista". 350 proxectos na segunda edición Con só un disco gravado en galego, N. H. U. Ten unha historia breve aínda que boa parte dos seus compoñentes desenvolveran unha longa traxectoria en diversas desde a música, a investigación e produción musical ou mesmo a fotografía e a pintura. Máis de 350 proxectos musicais avalan a consolidación dos Premio Martín Códax da Música nesta segunda edición. 304 grupos, 13 salas, 1 festivais e 18 medios de comunicación inscribíronse para partillar nesta primeira fase da segunda edición dos Premios Martín Códax da Música. Comeza agora a fase de votación na que,d es de hoxe a ate o 16 de novembro se elixirán os nomes dos 3 finalistas de cada unha das 15 categorías musicais, e outros 3 nomeados por cada un dos 3 Premios Organistrum, que se conceden a salas, festivas e espazos de comunicación musical. O 26 de novembro coñeceranse os nomes de finalistas no marco dunha festa nas Bodegas Martín Códax.
NOS_37654
Cidades e vilas acolleron concentracións de rexeite e denuncia após o asasinato de Chapela.
Centos de mulleres volveron saír na noitiña desta cuarta feira a rúas e prazas de Galiza para amosar o rexeitamento ao asasinato machista de Chapela. De Vigo, Ferrol ou A Coruña até Vilagarcía, Lugo ou Betamiráns (Ames). En todas o mesmo sentir e a mesma denuncia, máis unha vez. Dous asasinatos machistas en Galiza e 16 no estado español no que vai do ano. O 30% destas asasinadas presentaran denuncia. "Polo noso dereito a vivir en paz", "A violencia de xénero é a primeira causa de morte entre as mulleres do mundo", "Contra a violencia machista, loita feminista", "Estamos fartas de ser asasinadas!", "Rebelión, desobediencia, contra a súa violencia"... foron algunhas das palabras de orde nas mobilizacións.
NOS_23601
O colapso territorial en Galiza (Galaxia, 2018) propón unha metodoloxía e unha diagnose. Explica que cómpre analizar o espazo en que sucede a vida e relata como as lóxicas do capital desartellaron a paisaxe galega e, polo tanto, a vida que nela sucedía. O xeógrafo Xosé Constenla (Santiago de Compostela, 1980) avanza estar preparando unha segunda parte propositiva, pero no Colapso territorial xa prescribe "atender a eses procesos de base local que emerxen desde abaixo e comezar a tecer redes de cooperación". Apoiado na teoría crítica, Constenla ergueu un ensaio, premio Ramón Piñeiro, polo que circulan asuntos cruciais para a Galiza contemporánea. Eis un extracto da conversa publicada no número 307 de Sermos Galiza.
Que significa o que denomina "perda de complexidade" do territorio? A complexidade é un termo que recollo de economistas e ecólogos como Ramón Margalef ou José Manuel Naredo. É a diversidade de roles que cada elemento pode xogar dentro dun sistema. Por exemplo, na Galiza as parcelas rotaban os cultivos. Mesmo había un tempo a barbeito, pero tamén realizaba unha función social. O monte tiña unha función social como combustíbel, como materia prima, mesmo como reserva ecolóxica para mellorar a calidade do aire. Os asentamentos tiñan unha función estritamente residencial, non especulativa. As estradas eran solidarias e nunca unha vía de comunicación cruzaba un eido produtivo. Esa diversidade de roles que cumpría cada elemento do territorio descende. Cando se produce unha redución dramática dos indicadores de complexidade durante un tempo prolongado, un sistema entra en colapso. Desde a Lei do Solo de 1956, o territorio e cada unha das súas parcelas perde complexidade, deshumanízase e perde biodiversidade. Mais este proceso é paralelo a unha elevación xeral do nivel de vida, que talvez explique a relativamente pouca resistencia que xerou. A vida na aldea, que moitas veces o nacionalismo e a esquerda idealiza, era unha vida de bastante miseria. A vida facíase no campo da aldea porque ninguén quería estar na casa, que non tiñan lavabo nin baño e onde compartías espazo coas bestas. Non era unha situación idílica, era de pobreza. Cando se liberaliza o solo e esas parcelas viran solares, as rendas agrarias e os cartos da emigración din: "Agora construímos unha casa con confort". A mellora das condicións de vida é un elemento en que o capitalismo tamén se apoia para potenciar as liñas do colapso. E amolecer as súas contradicións. Efectivamente. Pero ao mesmo tempo prodúcese unha concentración demográfica nos espazos urbanos. O que provoca a despoboación de ámbitos extensísimos no rural, outro síntoma do colapso. O capitalismo, a través deses procesos acumulativos e de desposesión, quere un territorio sen persoas, que ninguén protexa e do que ninguén se preocupe. [Podes ler a entrevista íntegra no número 307 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
PRAZA_19004
ENTREVISTA Falamos co investigador Xurxo Martínez, que vén de atopar o documento orixinal do terceiro dos brindes lidos ao remate do histórico encontro, unha folla voandeira que recolle as palabras de Luis Rodríguez Seoane, inéditas ata agora
Sabíase que no remate do Banquete de Conxo (1856) pronunciáranse tres discursos, tres brindes poéticos que puxeran palabras ao histórico encontro entre estudantes e obreiros, delimitando e explicitando a intencionalidade política do acto. Coñecíanse as verbas de Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal e tíñase constancia da intervención dun terceiro estudante, Luis Rodríguez Seoane, cuxo contido fora recollido -de memoria- nalgunha crónica. Porén, o documento orixinal deste brinde vén de ser descuberto na Biblioteca Nacional de Madrid polo investigador Xurxo Martínez González. O brinde de Rodríguez Seoane está escrito en castelán e estruturado en 11 cuartetos ou estrofas de catro versos endecasílabos (de once sílabas) cada unha. Saíu do prelo do compostelán Manuel Otero, quen tamén publicara o Brinde de Aurelio Aguirre, e foi impreso como unha folla voandeira, en formato folio, un formato destinado para a súa difusión, de man en man, pola cidade. Alvarellos Editora está a preparar unha edición facsimilar deste documento e, coa colaboración do Consorcio de Santiago a incluirá como separata no libro Os últimos carballos do Banquete de Conxo, que vén de ser editado, e como apéndice especial nunha segunda edición da obra. Xurxo Martínez é, precisamente, un dos catro autores desta obra, canda a Henrique Alvarellos. Francisco Singul e Martín Souto, encargado de realizar a descrición do contexto histórico, social e político no que o Banquete ten lugar. O libro afonda ademais noutras cuestións, relacionadas tanto coa arquitectura do Mosteiro de Conxo coma coa riqueza natural da zona ou a historia da zona. Xurxo Martínez salienta que "este texto de Rodríguez Seoane foi unha peza cobizada por varias xeracións de investigadores. Hoxe, por fin, podemos lelo, recitalo e difundilo de maneira íntegra. A descuberta supón un fito destacado para a historia galega". Falamos con el. "Coa descuberta deste texto, perdido durante 161 anos, reconstruímos a tríade de Conxo" Como conseguiches atopar o documento? Como foi o proceso? O achado débese, en primeiro lugar, a un filólogo que se chama Damián Suárez Vázquez, que estivo investigando na Biblioteca Xeral de Santiago, onde atopou a referencia á existencia deste brinde impreso e a que na Biblioteca Nacional, en Madrid, había unha copia. Dirixinme á Biblioteca Nacional, seguindo esta información, pero o brinde non estaba catalogado, porque estaba recollido nun libro de escritos varios. Pero finalmente conseguín atopalo. "O contido dos tres textos encaixa no ideario do Partido Demócrata, que naquel momento representaba a opción republicana, a opción de esquerda radical, a opción provincialista" Cal é a importancia deste achado? Que achega ao coñecemento que temos sobre o Banquete de Conxo? A transcendencia histórica da descuberta é completar o acto do brinde do Banquete de Conxo, que foi a parte máis polémica e a que tivo consecuencias serias. Tiñamos referencias, mesmo había un texto que recollía, de memoria, parte do seu contido, e agora comprobamos que reproducira bastante ben boa parte dos versos. Pero coa descuberta deste texto, perdido durante 161 anos, reconstruímos a tríade de Conxo e podemos completar o contido político do Banquete, porque foron estes tres textos os que provocaron a reacción da xerarquía eclesiástica de Compostela. Agora confirmamos que os tres textos insisten nas mesmas ideas. O contido dos tres textos encaixa no ideario do Partido Demócrata, que naquel momento representaba a opción republicana, a opción de esquerda radical, a opción provincialista. A xente ten que entender a radicalidade do Partido Demócrata; foi a primeira forza que en España puxo en cuestión a monarquía, cando en 1854 21 deputados votaron en contra de Isabel II. "O Banquete de Conxo ten un gran significado histórico, está relacionado cos banquetes da revolución francesa de 1848, que é a primeira revolución liderada polas clases traballadoras" Destacas que "algúns dos versos poderían formar parte da Internacional Socialista", en referencia -entendo- a fragmentos como rotas en tierra yacen las cadenas ou a unha das estrofas, na que lemos No lo dudéis, del pueblo defensores/ El porvenir se encierra en vuestras manos/ Atrás! nobleza, títulos y honores/ Y oiga el mundo una voz, la voz de hermanos. Cal é o contido político do brinde e do Banquete no seu conxunto? En que contexto se produce? Esta estrofa é unha mostra, un pouso do pensamento socialista que estaba en marcha. O Banquete de Conxo ten un gran significado histórico, está relacionado cos banquetes da revolución francesa de 1848, que é a primeira revolución liderada polas clases traballadoras. Hai que entender que nese momento os partidos políticos eran ilegais e tamén o eran os seus actos. Así que o que facían as agrupacións era utilizar actos de convocatoria masiva e lanzar alí discursos, sobre todo en funerais e en banquetes. Isto fíxose moito en Francia na chamada campaña dos banquetes de 1847 e 1848, nos que se convidaba á xente a un xantar popular e ao remate había unha serie de discursos. Isto estaba permitido porque non era un acto político, senón cultural ou recreativo, pero en febreiro de 1848 o Goberno francés prohibiu o Banquete de París e aí estalou a revolución. Iso é o que se tenta reproducir en Conxo: unha unión de clases sociais, entre artesáns -que é unha clase en transformación cara ao proletariado- e o estudantado cunha conciencia ao redor das ideas do Partido Demócrata. Cando se atopan todos estes factores é como cando se achega unha chispa a unha caixa de pólvora. "Hai que entender que nese momento os partidos políticos eran ilegais e tamén o eran os seus actos. Así que o que facían as agrupacións era utilizar actos de convocatoria masiva e lanzar alí discursos, sobre todo en funerais e en banquetes" Quen é nese momento Luís Rodríguez Seoane? Cal foi a súa traxectoria posterior? Forma parte do que podemos chamar xeración do 56, que son os herdeiros da xeración do 46. É un grupo de xente que socializa ao redor do Liceo de la Juventud, no que tamén está Murguía, Rosalía de Castro, Aurelio Aguirre, Pondal... Son estudantes da Universidade de Santiago de Compostela pero teñen a conciencia de que o deber do estudante non é a formación individual, senón poñer o saber que eles adquiren ao servizo do pobo. El móvese no ambiente provincialista e intégrase no Círculo Provincialista de Pontevedra, onde funda o xornal El País. Ese Círculo foi moi importante para a difusión da figura de Sarmiento. Pero Rodríguez Seoane despois colle outro camiño e afástase un pouco da actividade intelectual, centrándose na súa carreira académica e profesional. Participa na Xunta Revolucionaria de 1868, pero nese momento xa non se move nas claves do Partido Demócrata, senón máis ben nun progresismo moderado. "O libro serve para facer unha reivindicación da responsabilidade que as administracións públicas teñen sobre a protección e a conservación deste lugar" Unha edición facsímile do brinde incluirase no libro colectivo que vides de publicar en Alvarellos sobre o Banquete e o propio espazo de Conxo. Que destacas da obra? O libro é moi completo, porque ofrecer catro perspectivas sobre o Banquete de Conxo e o propio espazo: un traballo sobre a importancia arquitectónica e artística do mosteiro, outro centrado na flora e na riqueza natural da zona, outro dedicado á historia cultural de Conxo e finalmente o meu traballo, que describe o contexto histórico en que se produce o Banquete. O libro serve para facer unha reivindicación da responsabilidade que as administracións públicas teñen sobre a protección e a conservación deste lugar. E, ademais, busca concienciar sobre a importancia que o Banquete de Conxo ten nos nosos días e na mensaxe que nos debe transmitir. "Hai que entender a educación e a formación académica como algo que imos poñer ao servizo da sociedade, non ao noso servizo individual. E este é o significado do Banquete de Conxo" Como debemos ler o Banquete dende o presente? Que mensaxe nos achega? O máis importante é a combinación entre estudantado, cultura e compromiso político-social. O estudantado e os artesáns de Compostela xúntanse, sentan intercalados, os estudantes son os que serven os traballadores. A mensaxe é que nunca se debe perder esa soldadura. A mocidade ten que entender que lle corresponde estar sempre unida aos principios de liberdade, de xustiza e de fraternidade. Hai que entender a educación e a formación académica como algo que imos poñer ao servizo da sociedade, non ao noso servizo individual. E este é o significado do Banquete de Conxo.
NOS_32115
O avance das tropas acerbaixanas sobre o territorio armenio e a República de Artsakh (Nagorno Karabakh), co apoio de Turquía e o 'laissez faire' de Rusia, concluíu hoxe coa sinatura dun acordo de paz entre Bakú e Iereván e a mediación de Putin, que se asegura a presenza militar na rexión e evita outro conflito con Ankara alén de Siria e Libia.
A cara e a cruz dun acordo de paz. Mentres en Bakú, capital de Acerbaixán se celebraba nas rúas o pacto con cánticos como "Karabakh é noso" ou "Karabakh é Acerbaixán", en Iereván, capital de Armenia, a situación era moi distinta na madrugada de hoxe. Centos de armenios opostos á resolución irromperon nas sedes do Goberno e do Parlamento para denunciar a "traizón" do primeiro ministro, Nikol Pashinián. Tamén, o presidente da Cámara, Ararat Mirzoián, foi sacado do seu coche oficial e golpeado. Foron as primeiras reaccións á sinatura entre Armenia, Acerbaixán e Rusia da declaración para pór fin á guerra en Artsakh, máis coñecida polo antigo nome de Nagorno Karabakh ("Alto Karabakh"). É o cuarto cesamento do fogo acordado na rexión desde que se reiniciaron as hostilidades o 27 de setembro, mais a involucración rusa, que despregará forzas de paz, dálle máis consistencia que os anteriores. Pashinián explicou esta terza feira en Facebook que "o texto da declaración é incribelmente doloroso" para o pobo armenio, mais que chega "como resultado dunha profunda análise da situación militar" e "baseado na crenza de que esta é a mellor solución". Algúns partidos opositores, incluído o conservador pro ruso Armenia Próspera (BHK) ─a segunda forza con maior representación parlamentaria─, anunciaron unha recollida de sinaturas para frear o pacto. Ademais, o presidente de Armenia, Armen Sarkisián, asegurou que non fora consultado sobre o acordo. Malia non haber unha guerra aberta, os enfrontamentos foron continuos no último lustro entre os Exércitos de Artsakh e Armenia por un lado e o de Acerbaixán polo outro. O máis intenso produciuse en abril de 2016 e deixou uns 300 mortos. Porén, o conflito está enraizado nun pasado colonial, nos límites dos imperios otomán e ruso, e no marco das tensións étnicas durante o proceso de sovietización dunha rexión ─o Cáucaso─ cunha gran diversidade cultural, lingüística e relixiosa. Desde que a URSS invadiu a rexión en 1920 até a súa disolución en 1991, Nagorno Karabakh pertenceu a Acerbaixán. O 2 de setembro de 1991 proclamou a independencia, que foi seguida dunha guerra entre Armenia e Acerbaixán. Tras 25.000 mortes, en 1994 Acerbaixán, Armenia e Nagorno Karabakh asinaron unha tregua auspiciada por Rusia. Como resultado, Bakú perdeu o control sobre Artsakh e outros sete distritos adxacentes, que foron ocupados por Armenia como "faixa de seguridade". O Consello de Seguridade da ONU aprobou catro resolucións, todas en 1993, exixindo a "retirada das tropas de ocupacións" desta faixa. Avance militar acerbaixano Desta volta, o acordo hoxe asinado favorece a Acerbaixán, que se estaba impoñendo no recente conflito militar grazas ao apoio de Turquía. "Había xente na fronte que non fixera cambio de garda durante un mes. Armenia e a administración de Nagorno-Karabaj decidiron que a guerra debía terminar canto antes. De non ser así, as consecuencias serían moito máis graves", escribiu Pashinián en Facebook. Anadolu, a axencia de noticias turca de titularidade estatal, recolleu que desde o pasado 27 de setembro, cando comezou a ofensiva, o Exército acerbaixano "liberou catro cidades, tres asentamentos e máis de 240 aldeas, así como algunhas zonas estratéxicas que estaban baixo ocupación das forzas armenias". O presidente de Acerbaixán, Ilham Aliev, anunciou que Rusia e Turquía asumirían conxuntamente a misión de manter a paz na zona. Con todo, o texto completo da declaración non menciona en ningures Turquía, segundo RT, a canle de televisión internacional propiedade do Goberno ruso. "Non hai unha soa palabra sobre isto no texto da declaración publicada, non foi acordado polas tres partes", confirmou o portavoz presidencial ruso, Dmitri Peskov. Aliev ─engadiu RT─ tamén cualificou de "histórico" o acordo con Armenia e Rusia. Expresou ademais o agradecemento ao presidente ruso, Vladimir Putin, pola súa participación persoal na resolución. "Bakú alégrase de que se poña o punto final na resolución do conflito en Nagorno Karabakh, que durou moitos anos", manifestou nun discurso público ao seu país. Turquía, ademais de non recoñecer o xenocidio armenio, é o principal aliado militar e político de Acerbaixán. No outro lado do taboleiro, Rusia ─que xa mantén un conflito de intereses con Ankara en Siria e Libia─ apoia Armenia, aínda que tamén vende armas a Bakú. Porén, as relacións de Moscova con Iereván non pasan polo mellor momento desde a coñecida como Revolución de Veludo armenia de 2018, unha serie de protestas cidadás contra o terceiro mandato consecutivo de Serzh Sargsyan. O líder daquela revolución era Pashinián. Despregue militar ruso durante o vindeiro lustro Os principais aspectos do acordo inclúen o cesamento completo das hostilidades a partir das 00 horas de Moscova (22 horas en Compostela). Acerbaixán e Armenia detéñense nas súas posicións actuais. Acerbaixán ─este é o punto que máis enfado causou en Armenia─ recupera a rexión de Kalbajar antes do 15 de novembro, o distrito de Agdam antes do 20 de novembro e a rexión de Lachín antes do 1 de decembro. Rusia despregará ao longo do corredor de Lachín ─que une Nagorno Karabaj e Armenia─ 1.960 militares, 90 vehículos blindados e outras 380 unidades motorizadas durante cinco anos, prorrogábeis por outro lustro máis. As persoas desprazadas internas e refuxiadas regresarán a Nagorno Karabaj e ás áreas adxacentes baixo o control da Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (Acnur), e haberá un troco de prisioneiros e de falecidos.
PRAZA_10870
As provincias de Lugo e Ourense levan anos perdendo milleiros de habitantes en beneficio das provincias occidentais, un fluxo que é máis importante que o que se dirixe ao estranxeiro ou a outras zonas do Estado. No 2018 tan só 12 comarcas tiveron un saldo migratorio interno positivo e 41 negativo.
Nin ao estranxeiro nin a outras comunidades autónomas do Estado. A maior parte da emigración galega é interior e móvese principalmente dende os concellos rurais aos urbanos e dende as provincias de Lugo e Ourense ata as da Coruña e Pontevedra. O IGE publicou o pasado venres os datos por concello dos movementos migratorios correspondentes ao ano 2018, unha estatística que amosa a continuidade das tendencias apuntadas anteriormente e que poñen números a un gran número de realidades, causa e á vez consecuencia de múltiples fenómenos económicos e demográficos, dende o envellecemento á despoboación.Como xa apuntara anteriormente o INE, o máis importante fenómeno migratorio do pasado ano en Galicia foi a recuperación na chegada de inmigrantes dende o estranxeiro. Chegaron case 13 mil persoas máis das que marcharon, o que permitiu que Galicia incrementase a súa poboación total por primeira vez dende o ano 2012. Os datos que agora vén de publicar o IGE, concello a concello, permiten debullar outro tipo de migración, a interna, que se move entre unhas e outras localidades do país.Así, podemos ver que mentres as catro provincias galegas teñen un saldo migratorio positivo co estranxeiro (especialmente importante no caso da Coruña), tan só Lugo amosa un saldo positivo coas restantes comunidades autónomas do Estado. E, sobre todo, os datos permiten comprobar que se mantén un importante fluxo dende as provincias orientais cara ás occidentais, perdendo Lugo e Ourense 483 e 271 habitantes en beneficio da Coruña (+479) e Pontevedra (+275).Nos últimos 15 anos as provincias de Lugo e Ourense tiveron habitualmente un saldo migratorio positivo co estranxeiro (máis inmigración que emigración), agás nos anos 2013 e 2014, no peor momento da crise económica. De igual xeito, o saldo co resto de España moveuse entre valores positivos e negativos, sendo habitualmente máis favorable na provincia lucense. Porén, no que respecta ás migracións interiores (co resto de Galicia), o saldo para as provincias de Lugo e Ourense é sempre negativo. Só dende o ano 2003, o saldo da provincia de Lugo coas outras tres provincias galegas foi de -5.444 habitantes, e o da provincia de Ourense -6.148, poboación gañada polas provincias da Coruña e Pontevedra.Por suposto, o comportamento demográfico non é igual nunhas e noutras comarcas e nuns e noutros concellos. A estatística amosa como determinadas zonas do país están a recibir nos últimos anos importantes continxentes procedentes, sobre todo, de localidades rurais e tamén de comarcas urbanas pero que, ou ben atravesan crises (como Ferrol) ou que están situadas nas proximidades de grandes cidades (como O Morrazo ou O Barbanza).A realidade é que nestes movementos internos de poboación unhas poucas comarcas están a gañar residentes, mentres que a maior parte presentan un saldo negativo. En concreto, no ano 2018 unicamente 12 comarcas presentaron un saldo positivo, sobre todo A Coruña, Santiago, Vigo e Betanzos, pero tamén Pontevedra, Allariz-Maceda, Meira, A Paradanta, Arzúa, A Ulloa, Terra de Celanova e A Mariña Oriental, destacando a presenza nesta lista de varias comarcas non urbanas.Pola contra, as restantes 41 comarcas perderon poboación por esta vía: é dicir delas marchou ao resto de Galicia máis xente da que chegou. As que tiveron un saldo máis negativo foron Sarria, Noia, Fisterra, Ortegal, A Limia, A Mariña Central, Tabeirós-Terra de Montes, Barbanza e, sobre todo, O Morrazo e Ferrol.A análise pódese facer concello a concello, a través dos seguintes mapas interactivos, que permiten observar dunha ollada os distintos fenómenos migratorios nas distintas zonas do país. En termos globais seis das sete cidades (todas agás Ferrol) e concellos das súas áreas metropolitanas, como Oleiros, Ames, Sada, Culleredo ou Arteixo son as que presentan os saldos migratorios máis positivos. Destacan tamén outras localidades como Lalín, O Carballiño, Carballo, Salvaterra do Miño ou Sanxenxo.Pola outra banda, Coristanco, Muxía, Zas, Muros, Laxe, Dumbría, Cariño, Cospeito, Verín, Moaña, Ortigueira, Bueu e Xinzo de Limia son os concellos cun saldo migratorio máis negativo, destacando nesta listaxe o gran número de localidades da Costa da Morte, Bergantiños, Ortegal, O Morrazo e o sur de Ourense.O saldo migratorio co estranxeiro é positivo en case todos os concellos galegos (só é negativo en 24 localidades, encabezadas por Verín). Mentres, se analizamos unicamente o saldo migratorio co resto do Estado Español, atopamos como son precisamente as zonas urbanas (encabezadas por Ourense, Vigo, A Coruña, Cambre, Lugo, Narón e Pontevedra) as que teñen máis emigrantes e menos inmigrantes e un saldo máis negativo. A explicación pode estar en que este fluxo migratorio cara a outras comunidades ten unha idade media menor.Finalmente, se debullamos unicamente as migracións internas, o mapa muda notablemente. Aparecen pintadas de azul (saldo positivo) as áreas metropolitanas das principais cidades galegas e, en xeral, a franxa que acompaña o percorrido do eixo atlántico (e a AP-9) entre A Coruña e Tui. Porén, cidades como A Coruña, Lugo e Ourense presentan saldos moi negativos, compensados polas cifras moi positivas que teñen Oleiros, Sada, San Cibrao das Viñas, Gondomar, Castro de Rei ou Outeiro de Rei, localidades que reciben un gran número de residentes procedentes doutros concellos, presumiblemente tamén dende as súas cidades máis próximas.Iso si, ollando unicamente para os saldos interprovinciais, vemos como a cidade da Coruña si recibe moita poboación procedente das provincias de Lugo, Ourense ou Pontevedra; o fenómeno repítese en Santiago e Vigo. A análise dos fluxos intraprovinciais (cara a outros concellos da mesma provincia) evidencia os desprazamentos que se producen entre comarcas próximas, con saldos moi negativos no Morrazo, Costa da Morte, O Barbanza, A Limia ou Ortegal
NOS_43751
O grupo parlamentar do BNG rexistou esta segunda feira unha pergunta por escrito, para a súa resposta polo director xeral da CRTVG, en relación á denuncia por acoso interposta pola actriz Iria Pinheiro.
O BNG leva a denuncia por acoso a Iria Pinheiro á cámara galega. A formación nacionalista dirixe unha batería de perguntas a Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, a respeito da denuncia formulada pola actriz no xulgado de garda número 3 Compostela. "Tiña coñecemento a CRTVG dos feitos denunciados? De ser así, adoptou algunha medida ao respecto? En caso contrario. Pensa adoptar algunha medida ao respecto?", inquire o BNG, representado por Olalla Rodil na comisión parlamentar de seguimento da CRTVG. Interésase tamén o Bloque por saber se existe na CRTVG un protocolo de prevención e actuación perante "casos de acoso, abuso sexual ou outra formas de violencia, nomeadamente machista e pide que, en caso negativo a compañía se dote dun. Finalmente, o BNG pergunta a Sánchez Izquierdo se a "persoa denunciada" -José Luis Viñas Orta- "mantén algún tipo de relación laboral coa CRTVG na actualidade". Esta cuestión respondeuna a compañía nun comunicado a pasada sexta feira. Nel afirmaba que Viñas Orta non tiña neste momento ningunha vinculación coa TVG e anunciaba que "cautelarmente" prescindiría do director para futuras producións en tanto non se resolver xudicialmente a denuncia interposta contra el.
NOS_12001
A identificación do mecanismo de activación dun receptor de plaquetas pode ser determinante no desenvolvemento de eventos isquémicos.
Investigadores da USC acaban de descifrar o mecanismo e as proteínas chave para a activación dun receptor de plaquetas (CLEC-2), fundamental no mantemento da integridade vascular e que pode supoñer un antes e un despois na identificación de fármacos antitrombóticos. Este receptor xoga un papel menor na hemostasia –a detención dunha hemorraxia- pero contribúe á estabilización do trombo; un proceso que é fundamental no desenvolvemento de eventos isquémicos asociados á activación indesexada das plaquetas. O grupo Platelet Proteomics do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) lidera este estudo publicado na revista Thrombosis and Haemostasis, que ademais ilustrou a portada desta publicación, e que analiza como se activa o receptor C-type lectin- like receptor-2 (CLEC-2), chave na integridade vascular e desenvolvemento dos vasos linfáticos embrionarios; así como en metástases hematóxenas mediadas por plaquetas. "Este estudo investiga en detalle o mecanismo de activación deste receptor de plaquetas para así poder identificar que proteínas son claves na devandita activación. Isto foi posible grazas a unha combinación de análises fosfoproteómicos, bioquímicos e funcionais a nivel das plaquetas sanguíneas", explica o investigador da USC Ángel García.
NOS_26778
A negociación prodúcese 'in extremis'
Chega a cabaleiría de Madrid. Carolina Bescansa, número 3 de Podemos, e Pablo Echenique, secretario de Organización do partido, desembarcan esta quinta feira en Galiza para tentar atopar unha solución ao 'sarillo' en que estes días viven os espazos podemita e da maré e que fan real o risco de que concorran por separado ás eleccións do 25S. Bescansa e Echenique estarán presentes na xuntanza que, nunha carreira contra-reloxo, manterán delegacións de Podemos e En Marea para intentar atinxir un acordo que lles permitr concorrer xuntos á cita coas urnas. A solución, recoñecen todas as partes, non é doada mais ningunha fecha a porta a esa posibilidade de acordo a escasas horas de que chegue unha xornada marcada en vermello no calendario electoral: 12 de agosto Esta sexta feira finaliza o prazo para rexistrar coligazóns aos comicios galegos. Esta, as coligazóns, é a fórmula pola que opta a secretaria xeral de Podemos Galiza e que afirma que apoia a maioría das bases, como amosou na consulta interna. Outro sector, porén, é partidario de confluír en En Marea, unha trincheira na que están os deputados Gómez Reino e Ángeles Rodríguez, así como o ex-senador Buitrón, que encabeza unha lista nas primarias de Podemos. Tender a man En Marea ampliou 24 horas o prazo de presentación de candidaturas para as primarias e volveu tander a man a Podemos para se integrar na Marea como o resto das forzas. É dicir, un non á coligazón. Desde Podemos Galiza manteñen que diluírse é a liña vermella que nunca van cruzar. Neste sentido, desde un dos sectores críticos, Xuntos Podemos, mesmo ameazan con marchar do partido de se dar ese escenario. En Marea xa expresou a súa preferencia por ter como interlocutor neste proceso á dirección estatal de Podemos. Unha delegación dela desembarca esta quinta feira en Galiza.
NOS_49656
Hai cincuenta anos, falamos do 25 de Xullo de 1969, a policía franquista disolveu a golpes a concentración patriótica do adro de San Domingos de Bonaval. Achegamos a crónica daqueles feitos que se enmarcan nos esforzos do movemento nacionalista durante o franquismo para socializar o Día da Patria Galega como xornada de reivindicación patriótica.
O Día da Patria Galega de 1969 celébrase no marco dun forte contexto represivo que tiña como obxectivo facer efectiva a designación de Juan Carlos de Borbón como sucesor de Franco a título de rei. O nomeamento como herdeiro do futuro monarca, nunha sesión das Cortes fascistas do 23 de xullo dese mesmo ano, condicionou todo o ciclo político desde o mes de xaneiro, momento no que o réxime declara o primeiro estado de excepción para, en feliz expresión de Carrero Blanco aos seus colaboradores, "limpar as rúas de subversivos para achaiar a Operación Príncipe". O operativo de castigo promovido pola ditadura levaría á cadea, fundamentalmente no período de vixencia do estado de excepción, un número importante de cadros e militantes da Unión do Povo Galego (UPG), sinalándose entre outros Bautista Álvarez, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Sanxuás, Manuel Romero, Xosé Soto ou Xosé Torres. Mobilización en Compostela O nacionalismo non se amedrentou nestas circunstancias e levou adiante unha forte campaña de axitación e popularización do Día da Patria Galega. Se ben descoñecemos o contido da folla voandeira espallada pola UPG para convocar a xornada patriótica, os testemuños achegados por algúns militantes nacionalistas que participaron daqueles feitos dannos conta do importante despregue propagandístico. Así, Xosé Estévez, no seu libro de memorias Un crego atípico na Fonsagrada. 1967-1969, recorda como "na reitoral de San Cristovo confeccionáronse os días 13, 14 e 15 de xullo os panfletos ou manifestos (arredor duns 20.000) que se espallarían por toda Galiza" nun operativo no que tomaron parte, á marxe do propio Estévez, Fernando Campos, Xavier Pousa e Xosé Torres, afiliados da UPG en Madrid e deslocados ao país para esta tarefa. As follas voandeiras elaboradas nunha vietnamita "socializada" días antes en Compostela serían trasladadas posteriormente nun carro de bois propiedade dun falanxista amigo de Estévez ao coche de Xavier Pousa para a súa distribución por Galiza. O exilio americano súmase A campaña desenvolvida pola UPG no interior será acompañada no exilio polo Consello de Galiza. A maiores da tirada de panfletos ao longo de toda Galiza e dos centos de valados con pintadas chamando a acudir a Compostela e a mobilizarse no Día da Patria Galega, o Consello de Galiza, que naquela altura mantiña unha fluída relación coa UPG que levaría ao nomeamento de Méndez Ferrín como o seu representante no país, chamará os galegos a celebrar a xornada patriótica. A declaración "neste 25 de Xullo, Día Nacional de Galiza, o voso goberno autonómico no exilio que traballa en estreita comunicación coas forzas patrióticas do interior" denuncia a operación de substitución de Franco por Juan Carlos de Borbón e reivindica o papel do Consello de Galiza como depositario da legalidade emanada do referendo do Estatuto do 28 de xullo de 1936. O Padroado de Cultura Galega de México, onde significados militantes da UPG como Luís Soto, Xoán López Durá ou Carlos Velo se significan como dirixentes, sumaríase tamén á convocatoria facendo público un manifesto no que sinalan que "a liberdade nacional de Galiza segue aferrollada polo centralismo troglodita" e chaman a loitar por unha Galiza ceibe. Berros de "Viva Galiza ceibe!" á saída da misa de Rosalía As dificultades para organizar un acto propio levou os militantes da UPG a acudir a San Domingos de Bonaval. A decisión de trasladar a reivindicación patriótica á saída da misa de Rosalía, como era coñecido popularmente o oficio relixioso co que os galeguistas celebraban o 25 de Xullo desde 1936, adoptouse o propio día nun xantar celebrado en Cacheiras. Mentres unha parte dos presentes desbotaban a idea de acudir a Bonaval argumentando que a súa presenza alí serviría para lexitimar un acto que chocaba coa ideoloxía laica da UPG e coa concepción desta formación sobre o labor político, outro grupo, dando por bos estes razoamentos, opinaba que a presenza na saída da misa non os poñía en cuestión, defendendo por riba doutras consideracións a necesidade de actuar. Segundo Bautista Álvarez, un dos asistentes á comida de Cacheiras e a persoa que encabezaba o sector partidario de asistir a Bonaval, "o debate estaba en táboas mais rompeuse cando sinalei que acudiría ao adro de Bonaval a berrar Viva Galiza Ceibe! pola miña conta ou organizadamente". Carga policial A policía cargou contra os presentes no adro de Bonaval tras deixarse sentir diversas consignas patrióticas. Á saída da misa comezou a sonar o himno nacional interpretado coa pertinente autorización gobernativa pola coral viguesa Ondas do Mar, berrando ao remate do mesmo, tal como estaba acordado, algúns membros da UPG "Viva Galiza ceibe!" e "Liberdade para Galiza", e dando comezo ao canto do "Venceremos nós", acompañado por unha boa parte dos asistentes. Os grises, presentes nas inmediacións do vello mosteiro exclaustrado de Bonaval, comezaron a golpear as persoas congregadas no momento en que se lanzaron as voces de orde do nacionalismo, batendo con planificación nos asistentes, até o punto, tal e como ten lembrado Saleta Goi, que cando un policía se achegaba a golpear Otero Pedraio, o seu responsábel prohibiullo afirmando "A ese non", consciente das consecuencias sociais e políticas que provocaría agredir unha persoa de 81 anos e referencial na Galiza do momento. Illa Couto, procesado A protesta fechou coa detención de Xaime Illa Couto, Carlos Guitián e Fidel Villar. O primeiro, antigo militante das Mocidades Galeguistas e impulsor de Galaxia; o segundo, un médico ourensán que redactaba as receitas en galego durante o franquismo, e o terceiro, director da coral Ondas do Mar, serán conducidos á comisaría da cidade, onde serán postos en liberdade após tomarlles declaración. Só Illa Couto será xulgado e posteriormente condenado polo Tribunal de Orde Pública en 1970 a tres meses de arresto maior, así como a suspensión de emprego e soldo, sendo finalmente anulada a sentenza polo Tribunal Supremo en febreiro de 1971, tras considerar que "o berro de Viva Galiza ceibe! non perturba a paz cidadá". O procesamento de Illa Couto espertará unha gran campaña de solidariedade entre a opinión democrática de Galiza e da emigración, sinalándose os comunicados de apoio de diversos organismos e as folgas de apoio organizadas polo seu alumnado na Escola de Enxeñaría de Vigo, onde se sinalou como dirixente estudantil Xosé Ramón Reboiras Noia, na altura un mozo que viña de incorporarse á UPG. [Esta información foi publicada no número 356 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_30096
Empata contra o Real Madrid (2-2) nun gran encontro no que Aspas errou o seu primeiro penalti en Primeira división.
Non tiña o Celta un arranque de ano doado, con dúas citas exixentes sinaladas en vermello no calendario: o Barça na Copa e o Madrid na Liga, ambos os dous en Balaídos. O Celta chegaba a estas citas co bálsamo de gañar #Onosoderbi mais tamén con certas dúbidas e interrogantes na afección sobre o xogo dos celestes. O peso da 'Época Berizzo' na memoria celeste aínda é grande. Empatou co Barça a pasada quinta feira e empatou co Madrid este domingo. Contra a equipa 'merengue' a piques estivo de apañar os tres puntos e a vitoria mais desta volta a sorte non axudou e Iago Aspas erraba, por vez primeira na súa traxectoria na máxima categoría, un penalti. O Celta optou por virar a súa tradicional aposta pola presión por agardar a aproveitar os hocos que se abrían no campo do Real Madrid. Con paciencia e intelixencia, foi tecendo ataques perante un Real Madrid que non é o Real Madrid de tan só hai uns meses, por moito que adestrador e xogadores sexan os mesmos. Inaugurou o marcador Was a pase de Aspas no minuto 32. Un ol que permitía soñar á bancada celeste mais que axiña Bale se encargou de apagar (en parte). No minuto 37 o Real Madrid gañaba por dous tantos a un. Na segunda metade o Celta saltou pola vitoria e tivo unha das súas apostas fortes na banda dereita e un Jonny que xogou a un alto nivel. Enfronte, un Real Madrid conservador, a xogar a manter o resultado. O Celta intensificou os ataques sobre a área rival e finalmente tivo o seu premio. Maxi Gómez marcaba a falla de dez minutos para o final. O Celta volvía, máis unha vez, 'tutear' un dos xigantes do fútbol mundial. Ficha técnica Celta (2): Rubén Blanco; Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny; Radoja (Lobotka, min. 71), Wass (Jozabed, min. 90), Pablo Hernández; Iago Aspas, Maxi Gómez, Pione Sisto (Emre Mor, min. 71). Real Madrid (2): Keylor Navas; Achraf, Varane, Nacho, Marcelo; Casemiro, Kroos, Modric (Lucas Vázquez, min. 76), Isco (Kovacic, min. 76); Cristiano Ronaldo, Bale (Marco Asensio, min. 81). Goles: Wass (1-0, min.33); Bale (1-1, min.35); Bale (1-2, min.38); Maxi Gómez (2-2, min.82). Árbitro: Jaime Latre, do comité aragonés. Amoestou Hugo Mallo (Celta); Casemiro e Navas (R.Madrid). Campo: Balaídos (20.872 espectadores).
PRAZA_16783
Este catálogo social botou a andar no ano 2011 e dende entón foi crecendo grazas ao traballo desinteresado de ducias de voluntarios e voluntarias, que envían información sobre cruceiros, castros ou petróglifos de todo o país, documentando a súa localización e estado.
No ano 2011 nacía a web patrimoniogalego.net, un catálogo social do patrimonio cultural galego que animaba a voluntarios e voluntarias a documentar e compartir publicamente a localización e estado dos elementos patrimoniais existentes no país. Dende entón, ducias de persoas fixeron as súas achegas, enviando información sobre cruceiros, igrexas, hórreos, castros, petos de ánimas ou petróglifos, algúns ben coñecidos e outros moi pouco estudados e mesmo descoñecidos. Algúns convenientemente inventariados pola Xunta e outros non. Algún ben conservados e protexidos e outros, en cambio, nunha sintuación de completo abandono e mesmo de degradación, engrosando unha lista vermella. Sete anos despois a web vén de superar os dez mil elementos catalogados, xeolocalizados e documentados. Foi o petróglifo da Laxe da Presiña, en Gondomar, catalogado por Óscar Franco, a entrada número 10.000, á que en pouco días xa se engadiron outras 34. Un traballo desinteresado e voluntario que contribúe ao coñecemento e á protección do patrimonio galego e que en moitos casos é completado posteriormente polo propio proceso de inventariado e protección a cargo do servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia. A partir do traballo de campo realizado inicialmente polos catalogadores e catalogadoras, un nutrido grupo de editores e editoras encárgase de revisar o material como paso previo á súa publicación na páxina. O equipo responsable da páxina prepara actividades conmemorativas do fito acadado para os vindeiros meses. Entre as persoas que están detrás deste proxecto destacan o divulgador e profesor da USC Manuel Gago. O corpo de editores está formado por Elisa Amigo, Adela Oyonarte, Carmela Sánchez Arines, Pancho Gallego e mais Elixio Vieites, mentres que Álex Bragaña e Soledad Felloza integran o corpo de produción. Eladio Rial encárgase xunto con Manuel Gago do deseño e do mantemento da web. Finalmente, os xornalistas Xurxo Salgado e Félix Aragunde son os responsables da comunicación. Proximamente, unha aplicación móbil En 2015 presentábase patrimoniogalego.net para Google Earth, unha ferramenta que permite empregar o catálogo en combinación cun sistema de información xeográfica, e proximamente darase a coñecer unha aplicación móbil que facilitará o uso in situ por parte dos e das usuarias. As fichas de cada elemento inclúen descricións e fotografías e, ademais, a posibilidade de incorporar fotogrametrías 3D. Así, os elementos poden ser ollados en tres dimensións, apreciar os detalles de preto e xiralos en calquera sentido para contemplalos dende o ángulo desexado. Lista vermella A Lista Vermella está formada por aqueles bens que corran grave perigo, xa sexa de destrución, alteración ou desaparición. O criterio para que un elemento pase a formar parte de dito listado será establecido polo grupo de editores e editoras, que ademais da información achegada polo catalogador/a, analizaran o seu estado, a documentación existente e as novas nos medios. Finalmente, elabórase un informe anual sobre os bens que corren maior perigo. Entre os xa máis de 10 mil elementos catalogados hai máis dun cento que figuran nesta lista vermella de perigo inminente. Web de patrimoniogalego.net Unha ducia de bens culturais en patrimoniogalego.net Unha ducia de bens culturais en perigo
QUEPASA_396
A Conselleira anunciou a Tarxeta Xente Nova que permite á mocidade de menos de 21 anos ir gratis no transporte público
Nova visita da Conselleira de Infraestrururas Ethel Vázquez a Bergantiños para dar conta da evolución da Senda Peonil que unirá Carballo e Coristanco. Hai apenas 15 días visitaba a zona para anuciar o comezo das obras, e onte volvía para asegurar que a Senda peonil e ciclista estará lista a finais de ano. Lembramos son 2,5 km de senda, 1,9 km pola marxe esquerda, entre a saída de Carballo e Montecelo, xa en Coristanco, e pola dereita, un tramo de 600 metros ata a fábrica de Calvo. A Conselleira lembrou que a Xunta non esquece os proxectos de senda do Couto, en Ponteceso (aprobado o pasado novembro), as de Soesto e Serantes, en Laxe, ou a que dará continuidade ata o centro comercial de Coristanco. Tarxeta Xente Nova Tamén se referiu á extensión a toda Galicia da tarxeta Xente Nova a partir do 21 de maio, polo que todas as liñas de autobús da Xunta serán gratis para os menores de 21 anos coa utilización deste dispositivo, beneficiando a todos os mozos da Costa da Morte. Destacou que os menores de 21 anos de Carballo xa viaxaban gratis á Coruña e agora poderán facelo en todos os autobuses, incluíndo os que os levan aos distintos municipios da comarca ou cara a Santiago, e o mesmo os mozos de Coristanco.
NOS_48506
A pintura de Manuel Moldes mostra o interese na investigación sobre a cor e a percepción visual ao tempo que expresa axitación e incerteza, un desprendemento da realidade que é tamén unha vontade de comprendela
Na Sala Universitaria Manuel Moldes da Facultade de Belas Artes en Pontevedra ofrécese unha mostra da produción do pintor a quen está dedicado o espazo coincidente coa súa etapa de profesor na facultade. Trátase, en concreto, da serie Vieiros, de finais dos anos noventa e principios do 2000, exposta xunto con tres debuxos que realizou en 1977 e nunca mostrados previamente. Manuel Moldes: Vieiros na memoria / Manuel Moldes / Comisariado: Sara Donoso / Sala Universitaria Manuel Moldes, Facultade de Belas Artes, Pontevedra / Até o 15 de decembro En Vieiros Moldes convertía o cadro nun territorio sen límites, nun punto de partida para a creación e para a reflexión. Estas obras, reflexo dunha vizosa convulsión creativa, dan forma a un desacougo, un estado mental que naquela altura implicaban unha volta de porca no estilo do pintor pontevedrés, como se unha enxurrada de forzas en tensión fose canalizada, e reflectise a súa visión de aspectos da nosa realidade social sen deixar de ser un exercicio intensamente pictórico, e por tanto xustificábel de seu. Consciente, se callar, da non existencia de rituais mediante os que o mundo poida ser entendido ou controlado, nesta serie o pintor apáñase para vivir cun novo e intenso desacougo, para vivir con el dentro do seu propio ser e plasmalo no lenzo ou no papel, mais sen renunciar á nosa tradición artística, moi consciente de que sen ela é imposíbel entender nada do presente, nin actuar sobre el, tamén nas artes plásticas. En Vieiros a modulación de liñas e cores é o vehículo para a transmisión dunha pulsión interior, non unha pulsión de carácter simplemente expresivo, como decote se interpreta o termo aplicado á obra pictórica, senón máis ben entendida como intensa procura interior que tenta por medio da pintura sintetizar un estado de captación. Hai moito de posta en cuestión ética e estética, de espasmo doloroso (e tamén ao tempo gozoso, no que ten de creación e explosión vital) e de conciencia da relación do ser humano co mundo. O pintor –como moitos homes e mulleres no noso presente- sempre loitou consigo mesmo tentando interpretar o significado dos acontecementos, a súa identidade, as súas esperanzas. A pintura de Manuel Moldes mostra o interese na investigación sobre a cor e a percepción visual ao tempo que expresa axitación e incerteza, un desprendemento da realidade que é tamén unha vontade de comprendela. Os Vieiros son, pois, obras en que a liña ten un papel sobranceiro, unha liña que nos evoca o orgánico, como se desenvolvese nun magma primixenio, de aí que nos transporte a momentos da arte do pasado, sempre lonxe do clásico, en que o labirinto, a espiral, o curvilíneo eran o vehículo de expresión das máis fondas vivencias.
NOS_3579
Alberto Núñez Feixoo recupera o ton máis duro no cara a cara cos líderes parlamentarios coa pantasma da ultradereita e a ineficacia das políticas contra a violencia machista como fondo.
Guía rápida para as e os próximos estudantes que accedan ao Parlamento [esta cuarta feira asistiron como público universitarios e alumnado de secundaria]: a) Non se asustar, a eses señores e señoras estalle permitido insultar e humillar o adversario. Non acabarán na cadea a non ser que convoquen un referendo popular para darlle voz á xente. b) O Goberno fala de cifras; a oposición, de conceptos. As cifras poden ser correctas ou non. Os conceptos son subxectivos. c) Todas e todos os parlamentarios aman o país, a muller galega e defenden os servizos públicos e sempre din que os outros non o fan. d) Cando se fala de Vox non só se cuestiona o compromiso da dereita coa democracia, o que está en cuestión é a capacidade das institucións como barreiras de contención contra a ultradereita, pero diso non se fala. e) Cando a dereita gaba a coherencia do PCE nos anos da Transición e despois alármase de que haxa comunistas no Goberno do Estado, está dicindo o mesmo: o poder (aínda que sexa pouquiño) ten dereitos de admisión. E non se preocupar se perdestes algo por culpa do balbordo: o mesmo debate repítese desde hai anos e continuará... Feixoo busca o corpo a corpo O segundo cara a cara en sete días do presidente Feixoo cos portavoces dos grupos parlamentares deixou a impresión que o titular empeza a buscar o corpo a corpo, quen sabe se por supostas urxencias electorais. O PP non vai ben a meses das galegas e a Feixoo esíxelle que tome a iniciativa. Enfronte, os líderes da oposición, que segue buscando liderado. Ana Pontón, a única portavoz, falando en favor da muller e tendo que escoitar do Presidente que el fala "en nome da maioría das mulleres galegas" e non acepta leccións "da minoría parlamentar galega". "As mulleres galegas non teñen dono", responde Pontón, secundada por todas as mulleres da bancada da oposición, mentres os máis fogosos deputados (Vega e Trenor) exhibían malos modos desde o coro popular, un teatro patético tendo en conta o público da sesión xuvenil. Ana Pontón, a única muller portavoz, dicindo que o Goberno do PP vén desenvolvendo no país unha axenda machista a través, entre outros, dos grupos anti-aborto ou dos concertos con colexios que segregan por sexo. E Feixoo que responde que "o BNG tampouco é o dono das mulleres" da Galiza e "non politice, señora Pontón". "Pois claro que é política!, que é se non?", clama Pontón xa sen micro porque Feixoo sempre ten a última palabra. E Feixoo remata cuspindo Vox contra o nacionalismo: "Grazas a Vox, que dividiu o voto, o BNG ten un escano en Madrid". "Vox e vostedes", dille a Pontón, "teñen o mesmo slogan: 'Botar Feixoo da Xunta". Caballero e o pacto agochado Gonzalo Caballero volveu recuperar o ton que menos lle convén e foi directo a cuestionar as posibilidades do PP de repetir a maioría absoluta en 2020 dados os resultados das eleccións celebradas durante este ano. Erra cando reprende a Feixoo, moito máis áxil no lodo. Dixo Caballero que ao PP "non lle importa pactar con quen sexa" e os populares riron (Vega e Trenor, con insolencia). Dixo que Feixoo "xa ten un pacto oculto coa ultradereita" e que el, Caballero, lidera o cambio "de aposta do PSOE polos servizos públicos" (que significa unha cousa e a outra) e por iso o Presidente anda preocupado. Preocupado non, respondeu Feixoo, "eu, encantado". "Desde aquí vexo as caras das deputadas e deputados do seu grupo e parece que vostede lles gusta pouco". Despois, ofreceuse para ensinarlle como "funciona a Cámara" e foi máis ácido que nunca no insulto: "Vostede non sabe, non quere traballar e cada vez que vén aquí vén dar un mitin". E máis: "Non hai un só galego que pense que vostede está a altura das galegas e dos galegos". Antón Sánchez e o vello PCE Antón Sánchez preguntou a Feixoo que pensa facer o seu Goberno para corrixir a fenda salarial de xénero. O presidente resumiu a súa resposta dicindo que vai seguir facendo o mesmo que vén facendo. O portavoz do Grupo Común da Esquerda insistiu: "A fenda salarial supera á media estatal. Un informe de Gestha advirte que para equilibrar o que cobran as galegas co que cobran os galegos farán falta 615 anos. No décimo decil da renda, as mulleres cobran a metade, 6.700 euros [ano] de media fronte a 11.700 euros". Entón, o Presidente debeu perder o fío e recordou Venezuela, o comunismo e apelou á Razón de Estado. Feixoo recordou que unha deputada do grupo de Sánchez vestira na Cámara unha camiseta co lema: "Chávez, te lo juro, votaremos a Maduro", o que o presidente considera un agravio "a miles de galegos". E lembrou que Podemos, "pro-chavista", "o único partido comunista nun Goberno dunha democracia occidental", vaise encargar da política social do Goberno do Estado, e que a Razón de Estado aconsella que iso non é bo. Feixoo, tan didáctico co público xuvenil como con Caballero, axitou a chistera e rematou cunha lección de historia: "Este PCE [Partido Comunista de España] non é bo, quere romper España; aquel PCE si que era bo, e por iso foi coherente na Transición e entendeu que España é unha nación e merece a protección de todos os españois". g) Último apunte na guía. Pode parecer que non, pero a pregunta sinxela do deputado si foi contestada, é a resposta comodín do Goberno: "Non veñades con ideas comunistas..."
NOS_36458
Os servizos xurídicos analizan se hai marxe legal para denunciala por un delito de odio, segundo afirmou a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, nunha entrevista na Cadena Ser.
A Deputación da Coruña avalía denunciar a Fundación Francisco Franco (FFF) por un delito de odio, tal e como solicitou a Comisión pola recuperación da memoria histórica (CRMH) após o último comunicado da entidade que leva o nome do ditador. Nesa mensaxe, a Fundación negaba que Franco fusilase ou ditase condenas de morte, para alén de falar de "xenocidio de católicos" pola Fronte Popular. A vicepresidenta da entidade provincial, Goretti Sanmartín, afirmou nunha entrevista en Ser-Galicia que están a estudar cos servizos xurídicos da Deputación a posibilidade de denunciar a Fundación por un delito de odio. "Estamos analizando se podemos denunciar a Fundación Francisco Franco por un delito de odio e exiximos ao presidente da Xunta maior contundencia, que sexa rotundo en condenar calquera tipo de apoloxía do franquismo". Sanmartín engadiu que no seo do PP hai xente que está "indignada" polo que está a acontecer co Pazo de Meirás, cuxas visitas son xestionadas pola FFF, que se gabou de utilizalas para ensalzar a figura do ditador. Unha cuestión que xera o rexeitamento unánime de institucións (Deputación, Concello de Sada) e forzas da oposición.
NOS_43137
Dous anos despois de se descubrir como narrador co libro de relatos, Retallos daquela infancia (Xerais), Bautista Álvarez volve á literatura coa novela Cuarto Minguante, unha das novidades de Xerais para este ano.
No mes de febreiro publicarase a primeira novela e segundo libro de narrativa de Bautista álvarez. Con Cuarto Minguante, o escritor visita literariamente a emigración galega da segunda metade do século XX cun libro que a editorial define de "prosa gozosa e vibrante, labrada cunha lingua de inequívoca estirpe popular e cunha presenza constante dun humor sutilmente retranqueiro". A novela de Bautista Álvarez percorrerá os destinos da emigración galega en Venezuela, Brasil e Arxentina máis tamén na Suíza, lugares onde recalará Ismael, o protagonista da historia que saíu do porto de Vigo un día de 1955. Cuarto Menguante trae de novo a Bautista Álvarez ao mundo da literatura despois de que hai dous anos publicara Retallos daquela infancia, dezasete relatos con presenza memorialística ambientados na aldea Loucía da parroquia de Lás, concello de San Amaro, da súa infancia. Neste tempo, publicáronse tamén distintos textos de carácter ensaísta e doutrinario nos dous volumes das súas Obras escollidas.
PRAZA_10567
Acusa a Ilunión de actuar como "empresa pantalla" para abaratar custos de contratación a través de subvencións públicas e de ceder traballadores ilegalmente a compañías de automoción
A Federación de Industria de CCOO en Pontevedra denunciou a empresa Ilunión ante a Inspección de Traballo por diversas infraccións que tería identificado o sindicato. Segundo Comisións, o centro especial de emprego (CEE) actuaría como "empresa pantalla" para abaratar custos da contratación, utilizando para iso subvencións públicas, o que "ademais de fraude á Seguridade Social sería competencia desleal no sector".CCOO-Industria considera que Ilunión é "un falso centro especial de emprego (CEE), que goza das vantaxes desta consideración pero non cumpre coas obrigas". Segundo explica, os CEE contan con vantaxes en aspectos como as cotizacións á Seguridade Social, as bonificacións por contratación indefinida e mesmo reciben achegas económicas da Xunta. A principal obriga é que polo menos o 70% do persoal teña algunha discapacidade, "pero a propia web de Ilunión rebaixa a cifra ao 40,6%".CCOO acusa o centro especial de emprego de Ilunión de actuar como "empresa pantalla" para abaratar custos de contratación a través de subvencións públicas e de ceder ilegamente traballadoresAdemais, e sempre segundo CCOO, Ilunión, promovido pola ONCE, aplica o convenio colectivo de atención a persoas con discapacidade. "Porén, en función da súa actividade, debería ser de aplicación o convenio do metal de Pontevedra, aspecto que tamén foi denunciado polo sindicato", engade. Malia isto, unha das cuestións máis graves que CCOO denunciou á autoridade laboral é a cesión ilegal de traballadores. Segundo o sindicato, a compañía "cede persoal de xeito ilegal a empresas da automoción da provincia, co obxectivo de abaratar custos baixo o paraugas dunha falsa tarefa social". "En Vigo só dispón dunha oficina para formalizar os contratos, pero non dos medios necesarios para prestar servizo ningún. Os traballadores son cedidos a empresas como PSA, Censo, Lear ou Benteler, actuando coma se fose unha ETT, pero vulnerando as obrigas que estas empresas teñen", denuncia o sindicato.Discriminación laboral e casos de acoso son outras das cuestións que CCOO puxo en coñecemento da Inspección de Traballo.
NOS_31300
Coa firme idea de que a Unión Europea é un instrumento do capital irreconducíbel cara a un ente máis social, Juan Pirola pide á esquerda maior clareza á hora de propor a ruptura coa UE. O músico é membro do grupo Ezetaerre que, cun novo rap e letras combativas, está a converterse nunha das bandas máis potentes do panorama galego.
Que representa a Unión Europea? A UE é unha organización que vela polos intereses do imperialismo en todo o mundo. De feito, nos últimos meses semella estar máis en voga a creación dun exército común europeo, nada estraño xa que a diario vemos as intervencións que fan os países da UE en todo o mundo, como está a ser por exemplo o terríbel papel de Francia en Malí. Cales son as emerxencias sociais que atravesa Europa como continente? En Europa danse as contradicións propias dun polo imperialista, como foi o conflito de intereses cando entrou o Estado Español e cando se levou adiante todo o proceso de desindustrialización. Ademais o continente padece pobreza en amplísimos territorios e paro xuvenil. Ademais, agora mesmo, está a ser vergoñento o papel da UE coa crise migratoria mundial e a súa posición perante a traxedia que acontece no Mediterráneo. É reformábel a Unión Europea? Non o é. A UE é unha ferramenta do imperialismo e ao igual que o sistema capitalista non pode ser reformábel. Algo que nace como ferramenta do mal xamais pode ser reconvertido. Que papel debe ter Galiza en Europa? Debemos artellar a un modelo solidario entre os pobos do continente e do mundo, baseado no intercambio cultural e a convivencia. As relacións internacionais deben sustentarse na xestión colectiva de recursos e na solidariedade, nunca en territorios que vivan de espoliar a outros. Na campaña electoral bota en falta algún tema que non se estea a tratar? En xeral, na esquerda, hai certo titubeo á hora de falar da ruptura coa UE. Creo que se debe ter maior firmeza nisto, sobre todo porque parte da dereita está promovendo superar a Unión Europea, evidentemente desde outro punto de vista e de intereses, mais na esquerda debemos falar con máis clareza e non deixar o campo libre á ultradereita.
NOS_21266
Contundente resposta do BNG perante a eventual formulación dunha denuncia da Fundación Francisco Franco contra as persoas que o pasado 30 de agosto protagonizaron a toma simbólica do Pazo de Meirás.
"Non aceitamos nen ameazas nen chantaxes por parte dos franquistas", dixo esta segunda feira Luís Bará, parlamentar do BNG, en relación ao ataque proferido contra a formación nacionalista por parte da fascista Fundación Francisco Franco. "Non lles temos medo e continuaremos a denunciar o incumprimento da lei [reférese á interrupción do réxime de visitas do Pazo de Meirás por parte da fundación], a impunidade do franquismo, o espolio e o roubo de bens públicos e tamén a cumplicidade das institucións do Estado, da Xunta da Galiza e do PP co franquismo", engadiu. Bará salientou que a próxima cuarta feira o BNG defenderá no Pazo do Hórreo unha iniciativa para, entre outros elementos, demandar a ilegalización da Fundación Francisco Franco pola súa continua apoloxía da ditadura. "O PP terá a oportunidade de esclarecer de que lado está, se do lado dos franquistas ou do lado da democracia", concluíu.
NOS_19581
"Somos a mellor aposta e por iso pido concentrar no BNG todo o voto de país e todo o voto inconformista". Así se expresou este domingo nun mitin en Ribeira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen equiparou o apoio electoral á súa organización á querenza das persoas "por gobernos que se interesen pola súa vida, polos espazos públicos de calidade ou por xestionar ben cada euro".
Pontón coincidiu na localidade do Barbanza cun encontro electoral do PP en que falaba Feixoo. Serviulle para ironizar: "Non lle arrendo a ganancia, porque que os veña apadriñar Pablo fracasado Casado é todo un síntoma do que espera ao PP, de fracaso en fracaso até o fracaso final". Para a líder nacionalista, o 26 de maio a dereita levará un "batacazo" como o do 28 de abril. Nas pasadas eleccións xerais, a suma das esquerdas galegas superou amplamente a dereita. "A Feixoo tampouco o vexo ben", estendeuse, "parece da Santa Campaña, como alma en pena de mitin en mitin pedindo que todo o voto da dereita vaia para o PP, que disque só quere depender dos veciños. Que nos explique de quen depende o PP en Andalucía". Os populares andaluces fixéronse co Goberno da Junta despois de pactar co Ciudadanos e a ultradereita de Vox. Este tripartito vén de suprimir os orzamentos oara recuperación de memoria histórica, algo que o PP galego fixo ao pouco de sentar en San Caetano en 2009. A portavoz do Bloque, acompañada en Ribeira da candidata ao Europarlamento Ana Miranda, presumiu de "recuperación" e afirmou que "o avance do BNG que se logrará nos concellos será a antesala dun tempo novo". "É unha razón máis para votar Bloque este 26 de maio, porque non só abre esperanza nos concellos, tamén a de asinar o finiquito de Feixoo", apuntou. Ana Pontón tamén lembrou que alí onde a súa formación goberna "queda demostrado o cambio real". Mencionou Rianxo, cuxo alcalde Adolfo Muíños é do BNG e opta á reelección, e preveu "gran resultado" en Ribeira, Pobra do Caramiñal e Boiro.
PRAZA_6519
A Consellería de Educación carga contra o claustro do IES da Pobra do Caramiñal, que reclama o arranxo de deficiencias no centro como filtracións de auga, barreiras arquitectónicas ou curtocircuítos que chegaron a derivar en "incendio". O departamento de Jesús Vázquez acúsaos de facer "política" e de "poñer os seus intereses por riba doutros centros educativos". Galería de imaxes no interior
A finais de agosto o Punto de Encontro do Ensino Público da Pobra do Caramiñal, un foro que reune os centros educativos e as Anpas da vila barbanzá, alertaba de que, ante o inminente inicio do curso escolar, o edificio do instituto de Secundaria pobrense tiña sen subsanar múltiples deficiencias. Humidades, filtracións de auga, fendas ou barreiras arquitectónicas e un longo etcétera de "problemas" poden "afectar negativamente tanto á saúde como á seguridade de case 500 rapaces do centro" e por iso reclamaron ante a Xunta que os subsanase. O xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, non só admitiu as deficiencias, senón que as acrecentou ilustrando que o instituto está "a monte" e fixo recaer a responsabilidade no propio centro que, asegura, non emprega o seu orzamento de mantemento para facer os arranxos. O claustro docente, "indignado" retrucoulle ao cargo da Xunta reafirmándose na denuncia e agora a Consellería atácaos publicamente porque, di, se dedican a facer política. Tras as declaracións do xefe territorial e despois de que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, visitase un colexio da vila pero non acudise nin se referise ao instituto o profesorado elaborou unha dura carta aberta para, ademais de manifestar "indignación" e "absoluta repulsa e protesta", "precisar" as razóns do mal estado do centro, sobre o que "o máximo responsable da educación pública na provincia da Coruña non debería facer un xuízo público sen fundamentarse en datos obxectivos" sobre "a actuación dos profesionais do ensino público que, na súa maioría nomeados de xeito forzoso para equipos directivos do centro, poñen todo o seu saber, facer, profesionalidade e responsabilidade na mellora" do instituto. Os docentes explican que "só entre 2010 e 2013" saíron do orzamento do centro "uns 100.000 euros" para "reparacións e mantemento" de elementos como a alarma, o ascensor, as caldeiras, elementos de fontanaría, electricidade ou informática. A esa cantidade, agergan, cómpre sumarlle 25.000 euros de 2014 e outros 35.000 de subministros. "Todo este conxunto de actuacións come boa parte do orzamento e unha parte inxente do tempo do equipo directivo" que, "en lugar de estar centrado en tarefas pedagóxicas, se ve continuamente requirido para estas necesidades". Así e todo, "as deficiencias e necesidades do centro rebordan, con moito, a capacidade de actuación do centro" tanto "a nivel económico" como "de toma de decisións, coñecementos técnicos e dedicación temporal". O claustro denuncia humidades, filtracións, barreiras arquitectónicas e mesmo curtocircuítos que derivan "en incendio" Na propia carta aberta o profesorado achégalle ao xefe territorial unha lista de "deficiencias que dificilmente se solucionarían a cargo dos orzamentos do centro" por afectar a elementos tan sensibles como a estrutura do edificio, cun aulario e zona administrativa de 30 anos de antigüidade que "precisan, nalgúns aspectos, reformas integrais" en ámbitos como tellados "de chapa metálica con nulo illamento" ou "terrazas sen cubrición" con "continuas entradas de auga". Un sistema de calefacción "totalmente obsoleto", caldeiras "con perdas e ruídos" que chegan a "molestar o normal desenvolvemento das clases", fiestras sen illar ou pingueiras forman parte dunha lista na que tamén se atopa a instalación eléctrica que, "especialmente na zona máis antiga, presenta continuos problemas, con saltos de liña, cortes e mesmo algún curtocircuíto que derivou en incendio". A Xunta ve "política" nas reclamacións A longa relación de desperfectos, que tamén dan lugar a un aspecto exterior "verdadeiramente lamentable" por falta de pintura fai que os docentes reclamen unha intervención inmediata da Consellería de Educación que, pola súa banda, respondeu iradamente a través dun comunicado que tamén publicou na súa web oficial. Nese comunicado o departamento de Jesús Vázquez acusa o claustro de "tentar poñer os seus intereses por riba dos demais centros educativos". "Non se comprenden as esnxencias que están a facer" despois de que "o director do centro e o alcalde da Pobra", Isaac Maceiras (PP), "acordasen desenvolver as obras no Nadal", acordo que "o director agradeceu". A Consellería acusa o profesorado de "tentar poñer os seus intereses por riba dos demais centros" A Xunta, di o documento, "estivo este verán a realizar melloras noutros centros educativos" que considerou "máis prioritarias" e "agora se comezarán a cubrir outras necesidades, como é o caso deste IES". Na liña do manifestado polo xefe territorial a Consellería sinala ademais que o instituto "podería realizar algunhas melloras" con cargo ao seu propio orzamento e, asemade, insiste en que as deficiencias son "fundamentalmente danos ocasionados pola falta de mantemento, polo que non é lóxico atendelas antes que outras". Neste escenario Educación "chama á responsabilidade" dos docentes e acúsaos de "utilizar" a "imaxe dalgúnhas alumnas e alumnos pintando as paredes do centro" como "clara instrumentalización política dun asunto que debería quedar estritamente no eido administrativo educativo". A CIG apoia o profesorado ante o "ataque" do departamento de Jesús Vázquez Ante este "ataque" ao profesorado a CIG Ensino manifestou este martes o seu "apoio" ao claustro do IES pobrense, ao tempo que censura que a Xunta "utilice a súa páxina web" para publicitar "un comunicado no que volve agredir o profesorado". "É indigno dun responsable educativo que pretenda que se gaste o orzamento destinado ao funcionamento do centro en reparalo e pintalo", indica o secretario nacional do sindicato, Anxo Louzao, quen ademais subliña que é "habitual que as autoridades educativas, ante a falta de argumentos, acusen de facer política a quen se mobiliza e demanda que a administración cumpra coa súa obriga". "Non se pode terxiversar a realidade, xa que a comunidade escolar reacciona ante unha actuación política da Consellería con total dignidade e lexitimidade", conclúe.
PRAZA_11696
A proposta da Agrupación Ío foi a máis votada na convocatoria aberta pola Unión Astronómica Internacional. O astro é unha anana amarela (semellante ao Sol) situada a 240 anos luz na constelación de Ofiúco e visible con prismáticos en zonas con ceos escuros.
O nome oficial da estrela HD 149143, unha anana amarela semellante ao noso Sol situada a 240 anos luz na constelación de Ofiúco, é dende este martes 'Rosalíadecastro'. E o seu exoplaneta HD 149143 b levará o nome de 'Riosar'. Así o decidiu a Unión Astronómica Internacional, completando o proceso NameExoWorlds aberto hai uns meses, que permitiu que 110 países de todo o mundo lle poñan nome a unha estrela cun exoplaneta asociado.A proposta galega foi a máis votada con 13.413 apoios, o 39% do totalNo Estado español lanzouse unha convocatoria na que houbo unha vintena de propostas, que durante semanas foron votadas na rede, cun total de 34.179 participantes. A proposta galega, impulsada pola Agrupación Astronómica Ío co apoio da Fundación Rosalía de Castro e a e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, foi a máis votada con 13.413 apoios, o 39% do total. Por detrás de Rosalía e Río Sar ficaron Tirant e Carmesina, con algo máis 5.600 votos, e os nomes dos amantes de Teruel, Diego e Isabel, con máis de 4.500 apoios. En 2015 xa foi elixido con este mesmo método outra estrela que pasou a chamarse Cervantes, cos seus catro planetas: Quijote, Rocinante, Sancho e Dulcinea.A estrela 'Rosalía de Castro' ten unha magnitude relativa de 7,89, o cal a converte nun obxecto visible con prismáticos en ceos escuros. En canto ao exoplaneta 'Río Sar', foi descuberto en 2005; trátase dun xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela. En caso de que se descubran máis exoplanetas neste astro, a proposta inclúe outros topónimos asociados á vida e obra de Rosalía: Laíño, Lestrobe, Bastavales, Conxo ou Iria.A estrela 'Rosalía de Castro' ten unha magnitude relativa de 7,89, o cal a converte nun obxecto visible con prismáticos en ceos escurosMáis de 780.000 persoas participaron en todo o mundo na iniciativa NameExoWorlds, lanzada pola Unión Astronómica Internacional para celebrar o centenario da institución. Dende hoxe 110 estrelas e outros tantos planetas teñen novas denominacións, votadas pola cidadanía dos distintos países que participaron na campaña. Así, canda a Rosalía, aparecen Franz (Austria), Macondo (Colombia), Lerna (Grecia), Tuiren (Irlanda), Petra (Xordania), Phoenicia (Líbano), Lusitânia (Portugal), Ceibo (Uruguai), Moriah (Palestina) ou Solaris (Polonia). O Reino Unido escolleu Gloas, que en gaélico significa "brillar" e a maior parte dos países iberoamericanos escolleron denominacións en linguas dos pobos orixinarios do continente, como Koeia (Porto Rico), Tupã (Paraguai), Cocibolca (Nicaragua), Axólotl (México), Hunahpú (Honduras), Tojil (Guatemala), Pincoya (Chile), Tupi (Brasil) ou Nosaxa (Arxentina).A Agrupación Ío, a Fundación Rosalía e a AC Alexandre Bóveda realizaron unha intensa campaña nas redes sociais (coa etiqueta #EstrelaRosalía) e tamén con actos públicos e paneis explicativos que pasaron por centros educativos e culturais de todo o país. Tamén repartiron dez mil folliñas informativas e 300 pósteres da campaña. Este martes convocaran a quen quixera achegarse a seguir en directo dende a Casa das Ciencias da Coruña o acto oficial de designación da UAI. E para festexar a designación, a AC Alexandre Bóveda organiza un encontro aberto este mércores ás 20 horas no seu local (rúa Olmos 16, 1º, na Coruña) ao que están convidadas "tódalas persoas amantes da astronomía e de Rosalía de Castro".A Agrupación Ío, a Fundación Rosalía e a AC Alexandre Bóveda realizaron unha intensa campaña nas redes sociais (coa etiqueta #EstrelaRosalía) e tamén con actos públicos Durante semanas convidaran a empregar a etiqueta #EstrelaRosalía e a compartir poemas da autora que inclúan referencias ao Sol, a Lúa, as estrelas e a noite. Así, léronse por exemplo "Cando maxino que es ida/ no mesmo sol te me amostras/ i eres a estrela que brila/ i eres o vento que zoa" ou "Colleume a noite, noite brillante, cunha luniña feita de xaspes, e fun con ela camiño adiante, cas estreliñas para guiarme, que aquel camiño solo elas saben", entre moitos outros versos. "No tempo de Rosalía a contaminación luminosa non existía e en consecuencia todas as persoas convivían con naturalidade coa noite. O firmamento e os corpos celestes formaban parte do seu día a día e inevitabelmente están integrados na súa literatura", destaca Ío na súa web. A entidade realiza unha moi importante labor divulgadora sobre astronomía e tamén reivindica medidas para reducir a contaminación lumínica. A pasada semana a presidenta da Fundación Starlight denunciaba a posibilidade de que as Illas Cíes perdan a súa certificación como destino turístico provilexiado para a observación do ceo nocturno.
NOS_44178
O secretario xeral dos socialistas galegos urxe ao presidente da Xunta a "arranxar o caos que xerou en Ourense"
As augas están revoltas polo Concello de Ourense, cunha situación política difícil de manexar. Tras esta realidade, o secretario xeral do PSdeG, Gonzálo Caballero, ve os intereses do Partido Popular por "manter o seu armazón de poder". Segundo denunciou, a cidade de Ourense é "presa dos intereses do PP" mentres segue en mans dun alcalde, Gonzalo Pérez Jácome "que acaba de ser denunciado en Fiscalía polos seus compañeiros de Goberno". Ante esta situación, o líder dos socialistas galegos invita ao presidente da Xunta de Galicia e do Partido Popular, Alberto Núñez Feixoo, a "arranxar o caos que xerou en Ourense" antes da súa investidura. "Feixoo non se pode pór de perfil porque é a súa responsabilidade", incidiu Caballero, antes de remarcar que foi el quen "decidiu colocar a un alcalde que el mesmo consideraba letal para Ourense só por manter o caciquismo de Baltar á fronte da Deputación", a pesar de que os socialistas foron a forza máis votada nas últimas municipais na cidade. "Ourense non merece ser noticia cada día polos desastres do alcalde que puxeron Feijóo e Baltar. O esperpento e as irregularidades non poden estar á fronte da terceira cidade de Galicia", concluíu Caballero.
NOS_2489
Ramón Varela, ex-presidente de ADEGA e experto en contaminación atmosférica, advirte dos altos niveis nas sete principais cidades e as súas áreas de influencia.
O mapa mundial que vén de facer pública a Organización Mundial da Saúde (OMS) indica que a metade da poboación galega estaría a respirar aire contaminado. Así o recolle o doutor en Ciencias Biolóxicas e ex-presidente de Adega, Ramón Varela, nun artigo. Así, sostén que a metade dos galegos, en base aos parámetros da OMS, estariamos "respirando aire contaminado con partículas pequenas (PM2,5) con valores algo superiores aos "valores obxectivo" establecidos pola OMS, dándose o paradoxo que a gran maioría dos valores estarían dentro da lexislación vixente". No artigo defende que as 7 cidades importantes de Galiza e a súa área de influenza terían valores comprendidos entre 11 e 19 microgramos/metro cúbico de PM2,5 e algunhas superarían tamén os valores de 20 microgamos/metro cúbico para partículas PM10. En Europa as zonas consideradas mais "limpas" segundo a OMS por estar por debaixo dos "valores obxectivo" serian: Escocia e norte de Inglaterra, Irlanda, Noruega, Suecia, Finlandia e parte de Dinamarca. Para a realización deste Mapa Mundial, a OMS elaborou un novo modelo de calidade do aire que ten en conta datos recollidos polos satélites, datos das estacións terrestres de milleiros de localidades rurais e urbanas e modelos de transporte da contaminación na atmosfera. Os datos reflicten que o 92% da poboación mundial vive en lugares onde os níveis de calidade do aire exceden os limites fixados en media anual pola OMS, e recoñece que "para que as persoas estean sans, deben respirar aire limpo, desde a primeira inhalación ate a última". Fontes da contaminación e alternativas Ramón Varela afirma que entre as principais fontes de contaminación do aire a OMS cita os modos ineficientes de transporte, as centrais eléctricas, as actividades industriais e a queima de combustíbel e residuos. "Recoñece que existen solucións para a situación actual como un transporte sustentábel nas cidades, as enerxías renovábeis, a redución de emisións industriais, a utilización de combustibles limpos, intensificar a vixilancia da contaminación do aire a nivel local..." A contaminación por partículas "inflúe, aumenta ou causa enfermidades cardiovasculares, accidentes cerebrovasculares, enfermidades crónicas e agudas das vías respiratorias e pulmón e chega a producir cancro de pulmón e mesmo recoñecendo a OMS un aumento de mortalidade por esta causa, a lexislación da UE é sumamente permisiva e contraria a rebaixar os limites legais establecidos que duplican os valores fixados pola OMS".
NOS_25583
En 39 concellos. O DOG permite que os establecementos de apostas e de azar abran até as 23:00 horas en municipios coa hostalería fechada ás 18:00 horas.
Os establecementos e locais de xogos e apostas, como casinos e bingos, terán a posibilidade de abrir máis horas en Noitevella, até as 23:00 horas, nun total de 39 concellos galegos nos que, con todo, a hostalería terá que permanecer fechada en atención directa desde as 18,00 horas ese mesmo día. Trátase dunha excepción que recolle o Diario Oficial de Galiza (DOG) na súa edición bis do 29 de decembro, na cal se publicaron as medidas decretadas pola Xunta tras o comité clínico que presidiu Núñez Feixoo. Con todo, esta medida con respecto aos locais como bingos e casinos non foi anunciada na rolda de imprensa posterior ao comité clínico que ofreceu o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nin na do presidente da Xunta tras o Consello da Xunta. Así as cousas, desde hoxe, restaurantes e bares poderán abrir nos concellos cos dous niveis máis duros de restrición até as 18:00 horas, unha hora máis do que estaba establecido até este momento. Esta medida coincide co segundo período vacacional do Nadal, pero permanecerá máis aló destas festas, xa que se estudou, dixo o propio Feixoo, que non incidirá nunha evolución negativa da pandemia. En segundo termo, este punto do DOG con excepcións concretas para Noitevella refírese aos establecementos e locais de xogo e apostas. Todos eles poderán abrir ata as 23:00 horas en todos os concellos galegos, agás os que teñen as restricións máximas, que son: o perímetro Verín-Monterrei-Cualedro-Castrelo do Val; Noia-Lousame; O Grove-Sanxenxo; Cambados; Bueu; Baiona; Rianxo; Ribeira; Boiro; As Pontes; e Viveiro. Isto significa, ademais, que nos municipios con restricións medio-altas, é dicir, naqueles nos que as reunións están limitadas a catro persoas e teñen a hostalería pechada ás 18:00 horas, si poderán abrir casinos, bingos e salas de apostas e xogos de azar. O cal se traduce en que este tipo de establecementos poderá abrir en Noitevella até as 23:00 horas en 39 concellos nos que a hostalería permanecerá pechada (salvo para entregas a domicilio e para levar) desde as 18:00 horas. Conforman este conxunto: perímetro Vigo-Mos-Redondela-O Porriño-Nigrán-Gondomar; Pontevedra-Marín-Poio; Ferrol-Narón; Santa Comba-Mazaricos-Negreira; A Guarda-Tomiño-O Rosal; Vimianzo-Camariñas-Zas; Dumbría; Fisterra; Porto do Son; Outes; Muros; Carnota; A Pobra; Carral; Xove; Vilalba; A Rúa; Sarreaus; Xinzo; Barro; Meaño; Vilagarcía; A Illa; Cangas; e Tui. Ademais, este horario de apertura estará tamén permitido para os 251 concellos que están en nivel básico de restricións e os que se atopan en nivel medio: A Coruña-Culleredo-Arteixo-Cambre; Santiago de Compostela; Moaña; e Soutomaior.
PRAZA_4071
Tras introducir 3.552 "curacións" dun golpe na xornada previa, este 30 de abril agroman na estatística do Sergas 180 recuperacións máis sen referencia temporal e os casos activos diminúen en 40 mentres o Ministerio reflicte 22 positivos novos en Galicia. A Conselleria de Sanidade informa ademais dunha caída na hospitalización superior ao 30%, aínda que o Ministerio recolle 11 casos novos en Galicia
O groso da estatística do Servizo Galego de Saúde para coñecer a tendencia do coronavirus vira inservible no primeiro día sen mortes dende o inicio da pandemia. Cando menos, na súa parte pública. Vinte e catro horas despois de introducir dun golpe 3.552 "curacións" sen referencia temporal ningunha, provocando que as recuperacións se triplicasen e os casos positivos activos -referencia empregada pola Xunta ata hai dous días- caesen á metade, a información divulgada pola Consellería de Sanidade para este 30 de abril reflicte novas mudanzas que anubran aínda máis o panorama.Tras introducir 3.552 "curacións" dun golpe na xornada previa, este 30 de abril agroman na estatística do Sergas 180 recuperacións máis sen referencia temporal e os casos activos diminúen en 40 mentres o Ministerio reflicte 22 positivos novos en GaliciaNesta xornada, o Ministerio de Sanidade, a partir da información fornecida polas comunidades autónomas-, reflicte 22 casos novos da covid-19 detectados en Galicia a partir de probas PCR -o total realizadas son xa 96.095, 2.977 máis que un día antes. No entanto, a cifra de positivos activos ofrecida polo Sergas non sobe, senón que baixa de 3.526 a 3.486, 40 menos. Mentres, o número de persoas "curadas" pasa de 5.393 a 5.573. Son 180 máis, cuxa orixe non é especificada. Deste xeito, o número de casos acumulados de coronavirus en Galicia dende o comezo da pandemia aumenta en 140, de 9.466 a 9.606. As orixes desas novas curacións poderían ser dúas: recuperacións de días pasados que son incorporadas por segunda xornada consecutiva á estatística sen referencia temporal ningunha ou ben negativos de test de anticorpos, información que segundo o Ministerio a Xunta está a transmitir, pero que non figura por ningures nos datos que divulga o Sergas. Estas distorsións invalidan tamén a posibilidade de realizar un cálculo diario de casos novos detectados nas últimas vinte e catro horas. [A suma masiva de "curacións" racha a estatística de referencia para coñecer a evolución do coronavirus en Galicia]As persoas falecidas seguen sendo 547 tras o primeiro día sen novas mortes pola covid-19, sinala o SergasEstas mudanzas que atrancan o coñecemento público sobre a pandemia en Galicia prodúcense nun día no que a estatística non reflicte, por primeira vez, ningún falecemento nas últimas vinte e catro horas. Deste xeito, as persoas falecidas pola covid-19 en Galicia seguen sendo 547, segundo a Consellería de Sanidade. Delas, 249 viviran en residencias de maiores e persoas dependentes.Pronunciada baixada nos hospitais e 2 novos casos na UCI, segundo o MinisterioSegundo o Sergas, nas últimas vinte e catro horas as hospitalizacións diminuíron por riba do 30%; a estatística do Ministerio, construída con datos das autonomías, reflicte 11 novos casos de coronavirus que requiriron hospitalización en GaliciaNesta xornada resulta rechamante tamén unha pronunciadísima baixada no número de persoas hospitalizadas en Galicia por mor do coronavirus. Segundo o Sergas, pasan de 555 a 381 en vinte e catro horas, un descenso de 174 persoas que supón un 31% menos. Sanidade indica que as persoas que precisan asistencia na UCI por mor da COVID-19 pasan de 73 a 47, unha caída superior ao 35%, e que as ingresadas en planta son agora 334, mentres que no día previo eran 482, un descenso do 30%.Non obstante, na mesma xornada o Ministerio de Sanidade, que constrúe a súa estatística cos datos fornecidos polas autonomías, indica que en Galicia lle constan 11 novas hospitalizacións para un total de 2.747 acumuladas dende o inicio da pandemia, dato que a Xunta non ofrece. Delas, sinala 2 novos ingresos na UCI para un total acumulado de 310.A cifra que si aumenta na estatística da Xunta é a das persoas que deron positivo e están illadas nos seus domicilios, que tras a pronunciadísima baixada do día 29 produto da introdución de "curacións" en masa (de 6.379 a 2.971 casos) ascende este día 30 ata os 3.105, un 4,51% máis que no día anterior. Nesta cifra inclúense 762 persoas que viven en residencias de maiores -no día previo eran 52 máis, segundo o Sergas-.As novas "curacións" concéntranse na área da CoruñaTras as fortes distorsións destes dous días, a área da Coruña deixa de ser a que rexistra máis positivos e a de Ourense mantense como a que padece maior incidencia da pandemiaOs devanditos cambios no cómputo da pandemia impactan especialmente nos datos por áreas sanitarias, nos que non existe a referencia de casos acumulados para poder observar a tendencia xeral do virus. Así, tras o forte impacto da introdución de 3.552 "curacións" dun golpe, este xoves día 30 o groso das novas "curacións" sen referencia temporal son rexistradas na área da Coruña-Cee, que baixa en 60 casos e deixa de ser a área sanitaria con máis casos activos.Mentres, o Sergas reflicte unha pronunciada suba de positivos activos na área de Vigo, que con 40 máis pasa a ser a que ten máis positivos en termos absolutos. En todas as demais prodúcense reducións, aínda que menos intensas. No que atinxe á incidencia, as distorsións dos últimos dous días tamén son enormes; non obstante, a área de Ourense mantense como a que ten máis casos por cada 100.000 habitantes, con 231.
NOS_36822
O aínda presidente Trump queima os seus últimos cartuchos para evitar ceder o Goberno dos Estados Unidos ao seu rival político e vencedor das eleccións, Joe Biden. Malia que a xustiza desbotou os seus recursos até agora, nas últimas horas logrou o importante apoio de 18 fiscais xerais doutros tantos Estados federados.
Primeiro foi o fiscal xeral de Texas, Ken Paxton, que na terza feira anunciou unha demanda ante o Tribunal Supremo dos EUA para impugnar os resultados das eleccións presidenciais en Georgia, Michigan, Pensilvania e Wisconsin. E nas últimas horas outros 17 Estados tamén comunicaron ao alto tribunal o apoio a esta moción que podería reverter a decisión do Colexio Electoral e a vitoria de Joe Biden, segundo informou CNBC. O Colexio Electoral, tal e como está estabelecido, pronunciarase na primeira segunda feira logo da segunda cuarta feira de decembro. É dicir, dentro de tres días, o 14 de decembro. Cómpre lembrar que a elección do presidente nos EUA non é directa, os votantes designaron o 4 de novembro cos seus votos os compromisarios que os representarán no Colexio Electoral. Polo momento todas as tentativas do aínda presidente dos EUA, Donald Trump, para que os resultados de varios Estados chave non sexan certificados polas autoridades estatais non tiveron éxito. Trump, que mantén a negativa a recoñecer a vitoria de Biden, celebrou a decisión destes 17 Estados de seguir o ronsel texano. Fíxoo, como é habitual nel, no Twitter: "Guau! Polo menos 17 Estados uníronse a Texas no extraordinario caso contra o maior fraude electoral na historia dos Estados Unidos. Obrigado!". E fíxoo pouco despois de presentar, "na súa condición persoal" como candidato presidencial, unha moción uníndose a demanda do fiscal xeral de Texas. "Esta é a boa", escribiu na súa rede social de cabeceira. Discrepancias e presións Os 17 Estados que amparan a moción, todos con fiscais xerais republicanos, todos gañados nas últimas eleccións por Trump, son: Alabama, Arkansas, Carolina do Sur, Dakota do Norte, Dakota do Sur, Florida, Indiana, Kansas, Louisiana, Mississippi, Missouri, Montana, Nebraska, Oklahoma, Tennessee, Utah e mais Virginia Occidental. O fiscal xeral de Texas asegurou nun comunicado que os catro Estados onde impugnou as eleccións "inundaron os seus cidadáns con solicitudes e papeletas ilegais" e acusounos de ignorar as regras sobre como contar os votos. "A confianza na integridade dos nosos procesos electorais é sacrosanta e une a nosa cidadanía e os Estados desta Unión", afirmou Paxton, segundo recolleu Bloomberg. Tamén o fiscal xeral de Missouri, Eric Schmitt, o último en se unir á iniciativa legal, difundiu un comunicado asegurando que "a integridade das eleccións é de vital importancia para manter a República. O que está en xogo é protexer a nosa Constitución, defender a nosa liberdade e asegurármonos de que todos os votos sexan contados xustamente". Republicano como todos os anteriores é Christopher Carr, fiscal xeral de Georgia, un dos Estados onde se impugnou o resultado dos comicios. En declaracións ao The Dallas Morning News afirmou a través dun portavoz que a demanda "é constitucionalmente, legalmente e facticamente errónea sobre Georgia". Tras estas manifestacións, Trump chamouno por teléfono para, segundo The Atlanta Journal-Constitution, presionalo e evitar que coa súa postura outros fiscais xerais republicanos se desmarcasen da demanda. Un cazador cazado Ken Paxton, impulsor da demanda e líder da organización Lawyers for Trump (avogados por Trump) desde xullo, foi acusado a comezos de outubro por oito dos seus axudantes na Fiscalía Xeral texana de suborno, abuso de poder e doutros delitos nunha carta enviada ao Austin American-Statesman e á KVUE. No mes seguinte, cinco foron despedidos e os tres restantes dimitiron. Ademais, xa en 2015 fora imputado por fraude de valores, un caso que conseguiu que aínda non chegase aos tribunais para poder ser xulgado. Como fiscal xeral presentou demandas contra o Obamacare e contra o DACA, programa que protexe os inmigrantes chegados de crianzas aos EUA, os dreamers. Tamén obrigou varios condados a retirar as medidas para previr a Covid meses antes de dispararse os contaxios en Texas. A muller del, Angela, é senadora estatal desde 2018. Ao pouco de chegar ao cargo propuxo unha lei que aumentase os poderes de Ken para se poder perdoar a si mesmo. A lei non foi aprobada. Proposta lexislativa para poder convocar un referendo de independencia en Texas Entre as numerosas propostas de lei presentadas nos últimos días de cara ao comezo, en xaneiro, da lexislatura no Senado de Texas, encóntrase a iniciativa do deputado republicano Kyle Biedermann. Segundo recolle The Dallas Morning News, na terza feira Biedermann rexistrou a proposta de Lei do Referendo de Independencia de Texas, que permitiría ao Estado "reinstaurar o seu status como unha nación independente". "O Goberno federal está fóra de control e non representa os valores dos texanos", sinalou nun comunicado colgado en Facebook, onde defende que a Constitución estatal ampara a proposta. En concreto cita que "todo poder político é inherente ao pobo" e este ten "o dereito inalienábel de alterar, reformar ou abolir o seu Goberno na maneira en que consideren oportuno".
NOS_49919
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, viaxou hoxe a Madrid para acudir ao Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF).
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, avanzou que convocará para esta segunda feira un Consello da Xunta extraordinario co obxectivo de aprobar o teito de gasto co que a Administración galega elaborará os orzamentos para 2023. O PP aproba un recorte no límite de gasto da Xunta de 93 millóns Segundo apuntou Rueda, agarda que, para esa reunión, o Goberno español concrete a cifra que corresponde á Galiza das entregas a conta, que ascenderán até os 134.336 millóns de euros no total do Estado español. Na rolda de prensa posterior á reunión do Executivo galego desta cuarta feira, o presidente confirmou esta reunión extraordinaria, a falta de coñecer esta contía, para contar xa co teito de gasto O novo teito de gasto, con 93 millóns menos, prognostica uns orzamentos á baixa para a Galiza de 2022 Precisamente, o conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta, Miguel Corgos, viaxou hoxe a Madrid para acudir ao Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF). A Xunta conta con "toda a información" "Aínda non nos comunicaron cal será a asignación individual de recursos", asegurou Corgos á saída da reunión, para despois afirmar que confía que, "en próximos días", o Goberno español envíe "máis pormenorizado" o rendemento de cada tributo que integra o sistema de financiamento. O Executivo estatal eleva o teito de gasto de 2023 en 1,1% con respecto ao de 2022 Aínda que "queda algún dato pendente", en "termos xerais" a Xunta conta con "toda a información que precisa" para definir o teito de gasto, subliñou o conselleiro. Aliás, citou algunhas "boas noticias" comunicadas no CPFF, como as previsións de recadación do sistema de financiamento autonómico. Neste sentido, Corgos pediu na xuntanza que o Ministerio de Facenda "fixese un esquema global" da súa proposta de reforma do financiamento para que as autonomías poidan pronunciarse sobre ela. O Parlamento galego aproba o teito de gasto cos votos en solitario do PP Sobre o déficit permitido para 2023, que o Executivo estatal subiu de 0,1% a 0,3% do PIB, o conselleiro de Facenda valórao como un "mecanismo de flexibilidade para facer fronte a posíbeis complicacións" que poida haber o próximo exercicio, entre as que mencionou "axudas que haxa que desenvolver para familias que sufran máis a suba dos prezos".
PRAZA_16296
Son 167 as localidades con máis pensionistas que cotizantes, fronte a 145 con máis cotizantes. 11 concellos, todos eles da provincia de Ourense, teñen xa o dobre de pensionistas. Esta situación dáse nun momento no que o futuro das pensións públicas está en dúbida. As novas pensións de xubilación levan catro anos conxeladas en Galicia
As novas pensións de xubilación levan catro anos conxeladas en Galicia Hai 167 concellos nos que os e as pensionistas son xa maioría e tan só 146 nos que aínda hai máis traballadores e traballadoras Dende hai 9 anos a provincia de Ourense suma máis pensionistas que traballadores e traballadoras, aínda que nesta estatística figuran un bo número de persoas que residen noutros países. É unha situación na que tamén estivo a provincia de Lugo e cara a que probablemente se dirixe unha parte importante dos territorios do Estado. No conxunto de España hai xa menos de dous cotizantes por cada pensionista (1,92), un ratio que en Galicia é moi inferior (1,29). Aínda que a realidade é algo mellor na Coruña e Pontevedra (1,43 cotizantes por cada pensionista), tamén as provincias galegas occidentais presentan unha relación moito máis negativa que a media estatal. Ames, Oroso, Arteixo, Cambre, Culleredo, Barbadás, Teo, Salceda de Caselas, O Porriño, Oleiros teñen aínda o dobre de cotizantes Evidentemente, hai moitas diferenzas por concellos. Dende as cidades e vilas de maior tamaño e poboación menos envellecida, que teñen aínda moitos máis traballadores e traballadoras que pensionistas, ata as localidades con medias de idade maiores -sobre todo na zona rural- que presentan xa unha desproporción moi acusada, con moitos e moitas máis pensionistas que cotizantes. En total, hai 167 concellos nos que os e as pensionistas son xa maioría (datos de decembro de 2016) e tan só 146 nos que aínda hai máis traballadores e traballadoras. Vilas como Ames, Oroso, Arteixo, Cambre, Culleredo, Barbadás, Teo, Salceda de Caselas, O Porriño, Oleiros, nas áreas metropolitanas da Coruña e Vigo ou próximas a Compostela e Ourense, teñen o dobre de traballadores que de pensionistas. Outros 32 concellos, entre eles cinco das sete cidades (Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo e Pontevedra) presentan ratios superiores a 1,5 traballadores por pensionista. 11 concellos xa teñen o dobre de pensionistas que de traballadores/as No extremo contrario aparecen 11 concellos que xa teñen o dobre de pensionistas que de traballadores/as cotizantes. Trátase de O Irixo, Verea, Laza, A Teixeira, Porqueira, Vilardevós, O Bolo, Quintela de Leirado, Calvos de Randín, Beariz e Avión. Todos eles pertencen á provincia de Ourense. De feito, nesta provicia son moi poucos (13, exactamente) os concellos que aínda teñen máis cotizantes que pensionistas. Ademais de Barbadás e a propia capital provincial, son O Carballiño, Ribadavia, Coles, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Allariz, A Rúa, Petín, O Barco de Valdeorras, Verín e Xinzo de Limia. Porén, é unha situación na que tamén se atopa unha parte importante dos concellos da provincia de Lugo, do interior de Pontevedra, da Costa da Morte e a Ría de Muros e Noia ou do Ortegal. En toda a provincia de Ourense hai só 13 localidades con máis cotizantes Esta situación ten lugar nun momento no que o futuro das pensións públicas está en dúbida, ante a práctica supresión durante os gobernos de Mariano Rajoy do fondo de reserva e o fomento dos plans de pensión privados. E, igualmente, ante o descenso na contía das novas pensións de xubilación, un proceso que xa se iniciou, causado polos recortes salariais dos útlimos anos, o alongamento das vidas laborais esixidas para o cobro íntegro das pensións e a situación de desemprego que sufriron persoas que estaban ao borde da xubilación.
NOS_2735
Alá no fondo hai sitio abondo. O circo atómico das irmáns Faynman, de Chévere e dirixida por Xesús Ron para público infantil volverá a escena no XVI Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
En 2007 a compañía Chévere estreaba unha obra para público infantil que estivo dous anos de xira, en especial, visitando museos como un achegamento divertido á nanotecnoloxía. Oito anos despois, a compañía volve recuperar Alá no fondo hai sitio abondo. O circo atómico das irmáns Fayman de cara á vindeira edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que se desenvolverá do 27 de febreiro ao 28 de marzo co tema "Da ciencia á ficción". Patricia de Lorenzo, Arantza Villar e Pepa Yáñez son as tres actrices que darán vida ás irmáns Fayman nunha obra que, como explicaban desde a compañía, explicará ás crianzas as distintas medidas, desde o metro até a micra. A obra incorporarase ao programa do Salón o día 5 de marzo. A compañía recupera o circo atómico das Irmáns Feinman, un circo de pulgas con maxia, música e teatro de variedades de cara a achegar o coñecemento científico ás crianzas. O texto da obra é de Manuel Cortés e conta con Jorge Mira como asesor científico.
NOS_56488
Ducias de persoas participaron nas protestas desenvolvidas en cidades e vilas de Pontevedra
Os afectados polas participacións preferentes non están dispostos a depoñer a súa loita contra o que consideran, e así o califican, coma unha "estafa". Tras semanas de mobilizacións de todo tipo, desde facer acto de presenza no Parlamento a concentracións ante concellos, os afectados decidiron realizar unha protesta coordinada que desembocou no peche de varias sucursais de NovaGalicia Banco na provincia de Pontevedra. De Vigo a Ponteareas, pasando pola Illa de Arousa, Marín ou Salvaterra, os afectados concentráronse diante das sucursais para intentar pechalas, o que lograron con case trinta entidades, que non pudieron atender ao público. As plataformas cifran en case 100.000 persoas na Galiza as afectadas polas participacións preferentes e outros produtos "tóxicos" de aforro.
NOS_55024
As centrais de representación das e dos traballadores instan a participar a todo o persoal da entidade bancaria na Galiza. A protesta polos despedimentos e feches de sucursais está prevista para a vindeira segunda feira, 10 de maio.
Nun contexto conflitivo no que semella que os despedimentos van estar á orde do día na Galiza debido á nova reestruturación do sector bancario, as organizacións sindicais veñen de anunciar a súa alianza para rexeitar o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que prepara BBVA e que no país suporía a saída de 111 traballadoras e traballadores. A CIG -maioritaria nas oficinas da Galiza- comunicou hoxe que todas as centrais sindicais que teñen presenza na mesa de negociación coa entidade bancaria van facer unha mobilización común a vindeira segunda feira, 10 de maio. As citas serán ás 18 horas en todo o Estado español, mais aquí as concentracións serán diante das oficinas principais do grupo na Coruña, Vigo, Ourense e Lugo. A organización en defensa das e dos operarios insta a defender os postos de traballo ante os despedimentos "masivos que prevé a entidade". De feito, pide a todas as persoas que secunden esta acción reivindicativa unificada para amosar o "rexeitamento unánime ao reaxuste do cadro de persoal". Así, hai un compromiso por "defender todos os postos de traballo e de loitar para que non se produza ningún despedimento forzoso", pois por exemplo no país estímase que o ERE afectará de forma directa a 111 persoas (66 na Coruña, 26 en Pontevedra, 10 en Ourense e 9 en Lugo). Non atopan sentido Tamén implicará o incremento de tarefas para outras empregadas, unha posíbel diminución da calidade na atención á clientela e a desaparición de varias sucursais, pois fálase dunha suma de 59 en Galiza, Asturias e Castela e León. Fontes da CIG subliñan que é "inadmisíbel que un banco coma o BBVA, que obtén miles de millóns de beneficios cada ano e que se gaba de estar á cabeza de rendibilidade, aumentando ademais as retribucións da alta dirección de xeito escandaloso, pretenda que sexamos as traballadoras e os traballadores quen paguemos a súa reestruturación con despedimentos". Por iso prevén aumentar "a intensidade das medidas con paros, folgas e calquera outra medida que consideremos necesaria", dado que rexeitan as "medidas vergonzosas de reestruturación" que están sobre a mesa de negociación.
NOS_8531
A Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada da Galiza (Apetamcor) é a entidade máis representativa entre as pequenas e medianas compañías transportistas da Galiza. A súa secretaria xeral, Myriam Otero, analiza con 'Nós Diario' a delicada situación do sector.
—As compañías do sector do transporte de mercadorías por estrada atravesan unha situación delicada, que medidas considera urxentes para evitar que sigan fechando empresas?A medida máis importante é que sexamos capaces de repercutir ás empresas cargadoras [compañías que contratan servizos dos transportistas] a suba dos nosos custos, non só do gasóleo senón tamén do resto de custos, vehículos, rodas, aceites, impostos ou salarios de condutores. Como medidas estruturais para axudar a que o sector mellore na cadea de valor, é necesario que non haxa tanta subcontratación e intermediarios. Isto estase negociando agora mesmo no Comité Nacional do Transporte para a publicación da Lei da cadea do transporte que limite esta subcontratación, pois un prezo sae da cargadora a 1.000 euros e cada intermediario vai quedando un 8% e, ao final da cadea, o porte queda en 400 euros. En Francia e en Portugal xa non hai axencias de transporte, as empresas cargadoras contratan o transporte directamente cos transportistas, con camións que son os que teñen que cobrar o diñeiro e tense que evitar a especulación de portes. —Apetamcor vén de reclamar ao Executivo estatal a intervención do mercado dos hidrocarburos. A que obxectivos responde esta proposta e cal foi a resposta das Administracións?Até o de agora non hai resposta por parte do Goberno. Debemos agardar á vindeira reunión do Comité Nacional do Transporte mais o Goberno ten que estabelecer medidas conxunturais para paliar a escalada dos combustíbeis, aumentando a bonificación do transporte profesional e pondo freo a esta crise que é unha distorsión do mercado no prezo das enerxías. O noso sector necesita un gasóleo profesional bonificado, como o dos armadores ou o dos agricultores. No Estado español, agora mesmo, o combustíbel antes de impostos é dos máis caros de Europa, subindo máis de 50%; mentres en Europa a alza dos prezos situouse, aproximadamente, entre 20 e 25%. —Unha das medidas estrela do Goberno do Estado foi a aprobación dunha bonificación de 20 céntimos por litro para os combustíbeis, por que non deu os resultados agardados para parar a alza de prezos?A bonificación actual de 20 céntimos é para todo o mundo, o que fixo que o prezo do combustíbel se disparase máis. Agora mesmo, o Comité Nacional de Transporte solicita 20 céntimos máis de desconto exclusivamente para o transporte profesional. Pero creo que esta medida xa non é suficiente. O Goberno do Estado quedou en reunirse de novo co sector en 15 días. —Sinalaba recentemente que, após o paro de marzo, unha parte das empresas cargadoras subiron os portes pero hai outras que non o fixeron. Considera que as Administracións están facendo o suficiente para facerlle cumprir o pactado a estas últimas compañías?Si, creo que o paro de marzo serviu para concienciar a moitas empresas cargadoras que non fixeran os seus deberes. Ás Administracións correspóndelles lexislar para limitar a subcontratación, inspeccionar ás falsas cooperativas de traballo asociado, ás empresas deslocalizadas, ás empresas cargadoras que non cumpren a cláusula de revisión obrigatoria do prezo pola subida do combustíbel, ás empresas que incumpren os prazos de pago, vulnerando a Lei da morosidade, realizando os pagos a máis de 30 e 60 días. Estas cuestións son deberes que as nosas Administracións, estatal ou galega, teñen que facer cumprir. Unha suba do gasóleo de 40% en 5 meses Myriam Otero pon deberes ás Administracións, ás empresas cargadoras e ao propio sector do transporte. Neste sentido, expresa a súa preocupación pola suba dos carburantes e lembra que "en decembro de 2021 encher un depósito de 1.300 litros nun camión de carga xeral de 40 toneladas custaba 1.430 euros; mentres que en maio de 2022 o seu prezo situábase en 2.000 euros, producíndose un incremento de 40%". A secretaria xeral de Apetamcor reclama melloras nas condicións de traballo dos profesionais do transporte e denuncia "a falta de estacionamentos axeitados, con aseos e zonas de descanso, nos polígonos industriais". Ao tempo, lembra como "moitos condutores vense obrigados a durmir no seu camión vixiando un posíbel roubo de mercadorías ou do combustíbel, o que lles impide descansar axeitadamente, supondo un grande risco para eles".
NOS_2593
O acto de conmemoración do 127 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro foi, ao mesmo tempo, a presentación do novo proxecto de Anxo Angueira para a Fundación. Notouse cunha asistencia máis numerosa que noutras edicións.
A Casa da Matanza, en Padrón, lugar simbólico para a poeta-muller inmortal que é Rosalía de Castro para Galiza, acolleu onte unha edición máis do acto principal dos que cada ano organiza a Fundación que xestiona o seu legado: a conmemoración do seu pasamento. Polo número de persoas asistentes, unhas 150 ocuparon o recinto, semellou que o novo rumbo da entidade interesaba moito.Máis aló dos parlamentos agardados de Xesús Alonso Montero e Xosé Ramón Barreiro Fernández, este último a falar do seu libro sobre Murguía publicado pola Editorial Galaxia, a verba literaria foi a que emocionou. A escritora Luz Pozo Garza, fóra do programa previo, dedicou a Rosalía un dos seus poemas. A situación tensa que vive hoxe o mundo da cultura galega, cos recortes cada vez máis evidentes mesmo en sectores como as fundacións históricas, notouse no discurso do Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nervios máis que evidentes cando estaba a desculpar a presenza do Presidente da Xunta, nunha viaxe por América, aínda que anunciara todo tipo de apoios na nova andaina da Fundación. E un discurso final do novo presidente da Fundación, Anxo Angueira Viturro, que non deixou indiferente pola consistencia e claridade. Nomeou @s antecesor@s no cargo preparando o terreo a unhas posíbeis críticas a súa xestión. A Casa de Rosalía vai remodelar, segundo Angueira, o seu modelo museográfico e de discurso co obxecto de aproveitar o número importante de visitas que ten ao longo do ano. Reivindicou a Rosalía que vai máis alá da poeta e non deixou de lembrar que para o ano celébrase o 150 aniversario da publicación de 'Cantares Gallegos", unha data que na Fundación pretenden aproveitar para relanzar a figura da poeta. Coma noutras edicións ningunha verba fóra de lugar, mesmo cando o acto rematou cun himno galego con algún que outro erro que parte da asistencia nin notou. Para outro momento queda, por exemplo, saber se poderemos recuperar para a cidadanía o lugar onde repousa a poeta.
PRAZA_9494
As mulleres son só o 12% das alcaldesas, o 22% das catedráticas e roldan o 20% nos consellos de administración das grandes empresas. De igual xeito, son minoría nos Tribunal Superior e Audiencias Provinciais de Galicia a pesar de haber moitas máis xuízas que xuíces
Un dos conceptos que máis se repite en relación coa desigualdade que as mulleres sofren no mundo laboral é o dos teitos de cristal: limitacións non explícitas (non fixadas en normas, en prohibicións) que dificultan o ascenso e a ocupación de postos de responsabilidade. E todo a pesar de que estas traballadoras conten cunha formación e competencia neses ámbitos igual ou superior á dos seus compañeiros varóns. As explicacións para estes teitos de cristal (glass ceiling barriers na súa forma orixinal en inglés, aparecida no Wall Street Journal en 1986) suxiren que a importancia da previa ocupación destes espazos de poder por parte de varóns (que beneficiarían o ascenso doutros homes), pero sobre todo destacan o impacto negativo xerado pola maternidade e as dobres ou triplas xornadas realizadas polas mulleres, que deben ocuparse tamén da maior parte das tarefas de coidados e traballo doméstico cando viven en parella cun home, e ocuparse das persoas dependentes (nenos/as, maiores e enfermos/as).Algunha vez estes teitos de cristal foron reformulados como solos pegañentos, definindo todos aqueles factores que manteñen a moitas mulleres atrapadas na base da pirámide económica. A precariedade laboral afecta en moita maior medida ás traballadoras. Pero as fendas de xénero prexudican tamén ás mulleres cunha mellor situación laboral, que atopan grandes obstáculos para chegar ás cimas das súas profesións. Por exemplo, ás Catedras no mundo universitario, aos Consellos de Administración das grandes empresas, ás Alcaldías no mundo da política ou a certos postos no sector da Xustiza. Só 38 alcaldesas elixidas en 2015En maio celébranse eleccións municipais. Ás espera de que se pechen as candidaturas que competirán por renovar as Alcaldías e plenos, podemos lembrar os datos das corporacións saídas dos comicios de 2015. A Lei Orgánica 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes, chamada tamén Lei de Igualdade, determina a presenza equilibrada de homes e mulleres nas listas electorais, movéndose un e outro sexo entre o 40% e o 60% en toda a lista e en cada treito de cinco persoas.Porén, a lei non fixa límites sobre o xénero das persoas que encabezan as listas ou sobre as que ocuparán finalmente as alcaldías. E así, hai catro anos foron elixidas en Galicia 38 alcaldesas e 276 alcaldes. E, de feito, 4 de cada 5 candidatos á Alcaldía eran homes. Cómpre salientar que esas 38 alcaldesas (apenas o 12%) constituíron un récord en Galicia, cun gran aumento dende as 24 de 2011 ou as 14 de 2003. A porcentaxe galega é unha das máis baixas do Estado e está moi lonxe da media española (19%), con datos encabezados por Murcia (33%), Euskadi (25%), Madrid (24%), Asturias e Andalucía (23%). De feito, a cifra de alcaldesas en Galicia só é superior á de Cantabria (11%).Un 22% de catedráticasNas univesrsidades galegas hai xa varias décadas que as mulleres son maioría entre as estudantes. Porén, seguen a haber máis profesores que profesoras, unha diferenza que crece a medida que aumenta a categoría dos docentes. Así, entre o profesorado axudante dáse practicamente unha situación de paridade (50,4%-49,6%), no profesorado titular as mulleres son só 41,5% e hai apenas un 22,8% de catedráticas. Na última década a diferenza entre homes e mulleres no profesorado das tres universidades galegas diminuíu moi timidamente.Moitas máis xuízas, pero non nos tribunais superiores En Galicia o número de xuízas (200) é moi superior ao de xuíces (143) e semella que esta diferenza en favor das mulleres continuará a aumentar nos vindeiros anos, tendo en conta que un gran número de maxistrados varóns está a piques de xubilarse (34 teñen máis de 60 anos, fronte a 12 mulleres que superan esa idade) e que entre os xuíces que teñen menos de 40 anos hai 56 mulleres e 16 homes.Porén, os varóns seguen a ocupar a maior parte das prazas nalgunhas instancias e tribunais de grande importancia, como o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (28 homes, 12 mulleres) ou as Audiencias Provinciais (35 a 25). Mentres, nos xulgados de primeira instancia, a maioría feminina é clara (56 a 16). O mesmo pasa no conxunto de España: as mulleres son maioría (un 53.2% de xuízas), pero só ocupan o 14,5% dos postos no Tribunal Supremo ou o 38,5% na Audiencia Nacional. E, igualmente, a media de idade das maxistradas é moito máis baixa que a dos seus compañeiros varóns. Veremos nos vindeiros anos se tamén aquí se reproduce o esquema dos teitos de cristal.Clara minoría nas grandes empresasA desigualdade é aínda maior nos consellos de administración das grandes empresas. No conxunto das compañías que forman parte do IBEX-35 a porcentaxe de mulleres é do 23,7%. E no total de empresas que cotizan na bolsa española a proporción é aínda inferior, un 18,5%. En Galicia a situación é semellante. Se observamos a distribución dos consellos de administración das empresas galegas con maior facturación, a presenza de mulleres móvese por debaixo dun terzo. Así, en Inditex son 3 de 9, en Abanca 3 de 10, en Coren 2 de 9, en Jealsa 2 de 7, a mesma proporción que en Froiz. En Pescanova hai tan só 1 muller nun consello de administración formado por 10 persoas.
NOS_4055
Teresa Ribera cre que cómpre buscar novos provedores de gas, entre os que citou Alxeria ou Qatar, ante un eventual veto total da UE á importación de gas ruso, mentres desde o BNG piden unha "excepción galega" para rebaixar a factura da luz e a Xunta ve "improvisación" nesta medida.
A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, sinalou que esperan facer operativa en "tres ou catro semanas" a "excepción ibérica" acordada esta sexta feira polos líderes europeos, que permitirá ao Estado español e Portugal adoptar medidas para rebaixar os prezos da enerxía. Neste senso, Ribera explicou que o acordado no seo do Consello Europeo "é unha orientación política" e que o que se introduciu é "unha habilitación para que a Comisión coñeza e autorice o mecanismo que España e Portugal deben remitir en principio esta semana". Sánchez anuncia unha "excepción ibérica" que permitirá que España e Portugal rebaixen os prezos da enerxía "A Comisión necesitará uns días, unhas semanas, para comprobar que todo é correcto ou recomendarnos introducir melloras, e calculamos que en tres ou catro semanas poderemos ter un pronunciamento da Comisión sobre aquilo que estamos a propor e facelo inmediatamente operativo", sinalou a vicepresidenta terceira nunha entrevista na canle 24 horas de RTVE. A ministra española subliñou que van introducir "un sistema de pagamento do gas como corresponde": "Hai que pagar o gas en todo caso pero queremos que ese prezo do gas non sexa o prezo ao que se pague o resto da electricidade que se produce, que ten un prezo máis barato. O que faremos é separar o gas do mecanismo de formación de prezo". Ribera non descartou que nas próximas datas a UE feche a entrada de gas ruso, polo que é "capital", dixo, buscar outros provedores, entre os que citou Alxeria, Australia, Noruega ou Qatar. Tensión na cimeira da UE: Sánchez abandonou temporalmente a reunión molesto por unha filtración Unha "excepción galega" á "ibérica" Pola súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu que se cree unha "excepción galega" para que a Galiza teña dereito a unha rebaixa na factura da luz como compensación a ser "un dos grandes produtores de electricidade" no Estado. Que baixadas de prezos aplicará o Goberno estatal a partir do 29 de marzo? Explicou que sería a "compensación" pola especialización na produción de enerxía e polos "custos sociais e ambientais". Aliás, engadiu que, aínda que dita medida sería "xusta sempre, o é moito máis nun contexto de crise como o actual". "Improvisación" O vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, asegurou este sábado que o acordo europeo en materia enerxética alcanzado polo Goberno estatal "non é o que quería Pedro Sánchez" e cualificouno de "improvisación de última hora". Neste sentido, Rueda espera que o Consello de Ministros da próxima terza feira concrete os detalles e efectúe a baixada do prezo da luz "rapidamente" porque "non se pode esperar máis".
NOS_48069
Trátase de contratos menores de obras, servizos e subministracións de catro empresas nos últimos dous anos; segundo as socialistas, que piden que se investigue a relación de Baltar con esas compañías.
O PSdeG de Ourense acusou a Deputación de adxudicar 160 contratos menores de obras, servizos e subministracións "a dedo" a catro empresas. En concreto, as socialistas referíronse a que "só estas catro empresas teñen facturación de arredor de 7 millóns en obras menores nos últimos dous anos". Así o manifestou esta quinta feira o voceiro provincial socialista, Rafael Rodríguez, que falou "dun total de 160 obras" nos últimos dous anos a estas empresas e criticou que "a propia lei establece que só son posíbeis 2 contratos menores na mesma anualidade ". Nós Diario publicou a fianis do pasado mes de xaneiro unha reportaxe na que informaba de como os contratos menores da Deputación de Ourense, en sospeita. A Fundación Civio publicou unha investigación sobre posíbeis fraudes de lei na licitación de contratos menores. Nela destacaba que a Deputación de Ourense adxudicase até sete contratos de obras a unha mesma empresa en febreiro ou cinco a outra en abril de 2019. Moitos deles, por importes próximos aos 40.000 euros de límite que permite a norma. Agora, o PSdeG ourensán considera que o ente provincial "incumpre" a Lei de contratos de servizo público e referiuse especificamente a "polo menos 15 obras menores superiores a 40.000 euros, o límite que establece a legalidade" e "ata 10 contratos de servizos superiores a 15.000 euros, o outro límite establecido ". Neste sentido, o portavoz socialista confirmou que o PSOE "informará dos feitos" e achegará toda a documentación que teñen ao Consello de Contas da Galiza. Villarino tamén solicitou que "se investigue o vínculo entre o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e estas catro empresas". O socialista subliñou ademais que " case todas as obras se adxudican polo mesmo importe" cando se trata de obras de "natureza completamente diferente". O deputado socialista Ignacio Gómez, pola súa banda, criticou que a medida que a lei estatal reduciu a cantidade máxima destes contratos menores, o número de contratos por empresa neste concello "aumentou". Tamén dixo que "algunhas das adxudicacións son claramente unha fraude de lei, porque foron adxudicadas por importe de 40.000 euros exactos cando a lei di claramente que deben ser inferiores a esa cantidade".
PRAZA_12114
Terá lugar este domingo, 26 de febreiro a partir das catro da tarde no local da Asociación Xuvenil Ítaca (rúa do Pombal, 18, baixo, Santiago).
Hai xa varios meses que a Acampada do Obradoiro vén levando adiante diversas iniciativas, quer a través dos grupos de traballo e comisións xurdidos durante e tras a acampada, ou de xeito coordinado con diversos colectivos e asociacións. Dende a Comisión de Comunicación afírmase que "se ben consideramos que esta flexibilidade e dinamismo das e dos activistas é algo positivo, entendemos tamén que, para termos un futuro como movemento, é o momento dunha reflexión colectiva profunda que contribúa a asentar os nosos principios, eidos de traballo e estruturas de coordinación interna e externa". O obxetivo da xornada de Redefinición da Acampada Obradoiro, que terá lugar o vindeiro domingo, 26 de febreiro a partir das 16 horas no local da Asociación Xuvenil Ítaca (rúa do Pombal, 18, baixo, Santiago) é debater o funcionamento interno do grupo e as estratexias a desenvolver nos vindeiros meses. Ademais, informarase das novas plataformas e iniciativas xurdidas nas relacións establecidas durante estes meses con outros colectivos e estudaranse as posibles sinerxías entre elas e con outras entidades. Seguindo un principio de transparencia, tanto a orde do día coma o esquema de desenvolvemento desta Xornada están sendo elaboradas colectivamente a través do grupo de Facebook REDacampadaSCQ.
PRAZA_4254
O PP galego soña para o 12X cunha maioría como as dos anos nos que Fraga superaba o 50% fronte a unhas forzas da esquerda que, dende o inicio da pandemia, viron minguados os seus espazos fronte a un Feijóo omnipresente. Sobre o 12X tamén paira unha incógnita: a quen prexudicará máis a posible abstención por medo ao contaxio?
"Mellor antes das eleccións, aínda que iso aquí non inflúe moito". En vésperas das eleccións municipais do pasado 2019, unha funcionaria dunha entidade local galega respondeu deste xeito ao ser preguntada pola data dun evento que se preparaba para acoller a súa institución, onde case ninguén concibía a posibilidade dunha cor política no goberno diferente á que mantén dende hai case tres décadas. Por pouco e con tensión, pero tras aqueles comicios case todo quedou como estaba e o poder, efectivamente, ficou nas mesmas mans.O PP galego soña para o 12X cunha maioría como as dos anos nos que Fraga superaba o 50% que o afaste do escenario electoral de 2019, ano do que o partido saíu magoado en Galicia tras perder por primeira vez a primeira posición nas urnasUn semellante ao daquela traballadora reinou durante lustros, mesmo durante décadas, no seo da esquerda galega. Moi especialmente dende que, en 1989, Manuel Fraga estreaba as siglas do PP de Galicia -en confluencia cos Centristas de Galicia da familia Baltar- logrando unha maioría absoluta por estreita marxe, retratada despois como esmagadora aínda que as que realmente foron tal aínda estaba por chegar: en 1993 superou por primeira vez o 52% e en 1997 acariñou o 53%. No 2001 tamén quedou por riba do 52% malia os primeiros sinais de desgaste daquela máquina de gañar eleccións que chegou a ocupar 43 dos 75 escanos do Parlamento (1993-97).Cunha desas vitorias fraguistas é co que soña o PP de Galicia para as eleccións do vindeiro 12 de xullo, que este 19 de maio quedan convocadas no Diario Oficial de Galicia. O partido quedou doído polos resultados dos comicios celebrados durante o 2019, cando por primeira vez perderon a condición de primeira forza mentres a gañaba o PSdeG nas xerais do 28A e non deron remontado o voo con consistencia nas municipais e europeas nin nas xerais repetidas -malia volver ser primeiros-. Daquel ano saíran magoados e entraran igual no 2020 polo efecto que a constitución do Goberno de coalición do PSOE e Unidas Podemos, apoiado polo BNG na investidura, puidese ter nas expectativas de lograren a cuarta absoluta con Alberto Núñez Feijóo á fronte. Así, partían en cabeza aínda que cun escenario razoablemente aberto -atendendo ás enquisas coñecidas- cara aos comicios convocados para o 5 de abril. Pero nisto chegou o coronavirus e mandou parar.Nestas semanas de pandemia, as forzas da actual oposición viron minguados os seus espazos fronte a un Feijóo omnipresenteAgora semella que pasou un mundo dende os últimos actos preelectorais celebrados nos primeiros días de marzo. Máis de dez semanas nas que os gráficos das enquisas de campaña foron substituídas polas curvas da pandemia e nos que os partidos da actual oposición galega viron minguados os seus espazos ata a mínima expresión fronte a un Feijóo omnipresente mediante roldas de prensa retransmitidas ao vivo pola CRTVG dende o atril de San Caetano. Desa privilexiada atalaia saen datos da pandemia e anuncios diversos, pero tamén -se cadra, sobre todo- críticas de toda intensidade contra o Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos, cuxas competencias ampliadas mediante o estado de alarma dan aos conservadores galegos o encaixe perfecto para lles atribuír erros propios e alleos.No PP ven amortizados os danos electorais do 2019 e a Feijóo, reforzado ata o punto de soñaren coas devanditas maiorías esmagadoras. Coidan que lograron espallar con éxito a idea de que a covid-19 golpeou menos forte a Galicia grazas á súa xestión mentres atribúen ao gabinete de Pedro Sánchez os prexuízos que a cidadanía xa percibe en múltiples frontes. E, de rebote, nas filas da esquerda escóitanse cantos de fatalidade ao xeito daqueles anos nos que as eleccións galegas tiñan un aquel de trámite para que Fraga seguise onde estaba.Malia aos cantos de fatalidade, dende as forzas da esquerda tamén saen apelacións o cambio e a facer que a Feijóo lle saia mal a carambola de votar en pleno 'shock'Así e todo, tras a ratificación da data do 12X dende os liderados das principais forzas da esquerda saíron apelacións ao cambio, alén das críticas á elección da data, por "temeraria" en plena pandemia. "Feijóo está escribindo as súas últimas páxinas á fronte do Goberno da Xunta", asegura o socialista Gonzalo Caballero. "Se antes era necesario, despois da covid-19 é imprescindible o cambio galego", afirma a nacionalista Ana Pontón. "Estamos preparados para dar un xiro de cento oitenta graos á década perdida de Feijóo", asegura Antón Gómez-Reino dende Galicia en Común. Esconxurar o fatalismo semella unha das primeiras tarefas nas filas dunhas formacións que tamén terán ante si o obstáculo dunha campaña limitada en actos e movementos polas medidas de restrición para evitar contaxios da covid-19 mentres Feijóo continúa omnipresente. Facer ver, en circunstancias adversas, que a Feijóo lle pode saír do revés o intento de carambola de votar en pleno shock, pero xusto antes de que a vaga expansiva da crise económica poida levar por diante a hexemonía do PP galego.Sobre o 12X tamén paira unha incógnita: a quen prexudicará máis a posible abstención por medo ao contaxio?A modo de mostra, antes de rematar a comparecencia na que anunciou a data electoral, o aspirante á reelección animou o electorado, coas cámaras da Galega emitindo ao vivo, a "elixir" o 12X á "persoa pode ter máis experiencia para xestionar" a "dolorosísima" crise derivada do coronavirus. En vésperas da chegada dos primeiros inquéritos do novo e inédito escenario electoral, paira tamén unha incógnita sobre todas as forzas políticas: a quen prexudicará máis a previsible abstención das persoas que non acudan ás urnas por medo ao contaxio?
PRAZA_20079
A relevancia estratéxica e xeopolítica de Irán merece unha aproximación mais acadada cara o seu acontecer político, vital para entender a política rexional. Toda vez, Teherán constitúe un epicentro ineludible na configuración dos novos equilibrios que están progresivamente erixíndose tanto en Oriente Próximo como no espazo euroasiático.
Cómpre observar a escasa atención informativa de cara aos comicios presidenciais iranianos deste 19 de maio. A relevancia estratéxica e xeopolítica de Irán merece unha aproximación mais acadada cara o seu acontecer político, vital para entender a política rexional. Toda vez, Teherán constitúe un epicentro ineludible na configuración dos novos equilibrios que están progresivamente erixíndose tanto en Oriente Próximo como no espazo euroasiático. De cara a estes comicios presidenciais, o contexto iraniano non aborda transformacións políticas de carácter radical, razón que pode explicar a súa escasa presenza informativa. O actual presidente Hasan Rouhaní xógase a reelección trala súa vitoria en 2013. Rouhaní lidera as enquisas, o cal consolida a perspectiva dun visible fait accompli da súa vitoria electoral. Isto, dun xeito preliminar, semella explicar por que a degradación da atención dos comicios iranianos nos principais mass media. A eventual reelección de Rouhaní constitúe, por tanto, un elemento que igualmente evidencia un aspecto estrutural dentro da política iraniana, e que permite observar un marco de garantía da estabilidade do seu sistema político. Desde a creación da República Islámica en 1979, todos os presidentes iranianos tiveron dous mandatos consecutivos. E pouco semella que Rouhaní sexa a primeira excepción que altere esta regra non escrita. Xunto a Rouhaní, o Consello dos Gardiáns da Revolución aprobou o pasado 20 de abril outras cinco candidaturas presidenciais. Destaca aquí a do clérigo Ebrahim Raisi, igualmente beneficiado pola recente decisión do alcalde de Teherán, Mohammed Begher Ghalibaf, de retirar a súa candidatura ao seu favor. As outras (o vicepresidente Eshagh Jahangiri, ou ultra conservador Mostafa Mirsalim, e o presidente do Comité Olímpico iraniano, Mostafa Hashemitaba) teñen menos peso político e moi probablemente irán decatando os seus respectivos apoios cara Rouhaní e Raisi. Reformistas contra conservadores? Así, Rouhaní e Raisi definen unha polarización política e electoral que ven sendo patente na estrutura de poder da República islámica nas derradeiras dúas décadas. Rouhaní segue a ser observado como un membro moderado proveniente das forzas reformistas e progresistas que, no contexto electoral de 2009, levaron a cabo unha forte presión nas rúas contra a reelección do entón presidente Mahmud Ahmadíneyad. Curiosamente, Ahmadíneyad presentara este 2017 a súa candidatura, sendo finalmente rexeitada. Pola súa banda, Raisi simboliza a reagrupación dos sectores conservadores, denominados "principalistas", circunstancialmente unidos na Fronte Popular das Forzas Revolucionarias Islámicas (JAMNA en persa). Un elemento importante dentro da candidatura de Raisi estriba no feito de ser un moi probable sucesor do Gran Aitolá Alí Khamenei dentro da estrutura teocrática que domina a República Islámica, en caso de pasamento ou retiro por razóns de saúde do propio Khamenei. Se ben lideran ambas tendencias, Rouhaní e Raisi non son exactamente considerados como os líderes mais visibles dos sectores reformistas e conservadores que tanto teñen determinado a política iraniana das derradeiras décadas. Isto traduce un labiríntico proceso de equilibrios existente dentro do complexo mapa político iraniano e, particularmente, dos factores de poder que constantemente moven o seu péndulo político. Aquí destacan outros actores que inflúen decisivamente neste mapa político. Obsérvanse así a estrutura teocrática en mans do Consello de Sabios, o estamento pretoriano establecido en torno ao Corpo dos Gardiáns da Revolución Islámica, a influente burguesía comercial e económica (popularmente coñecida como a "elite do Bazar") e outros sectores teocráticos e políticos provinciais, particularmente de cidades como Isfahán, Qom, Tabriz e Shiraz. Alén do pulso político interno, outros factores imprimen a súa importancia dentro do contexto electoral iraniano. A pesar dos avances contidos na apertura internacional tralo pacto nuclear co G5+1 en 2015, do control da inflación e da riada de investimentos exteriores (principalmente nos sectores da construción e enerxético), a crise económica segue a golpear á sociedade iraniana. Isto é particularmente perceptible nos índices de desemprego da súa mocidade, que constitúe o 60% da poboación do país. Considérase por tanto que a economía pode ser o "talón de Aquiles" que eventualmente dificulte a reelección de Rouhaní. Outro mapa no exterior Outros factores estratéxicos son a política exterior e a xeopolítica rexional. Os achegamentos entre Washington e Teherán desde 2013 baixo o goberno de Barack Obama vense actualmente obstaculizados polo retorno dos neocons na Casa Branca de Donald Trump, caracterizados por unha marcada iranofobia. Con todo, o estratéxico peso xeopolítico de Irán obriga a ampliar as perspectivas occidentais á hora de tratar con Teherán. Este aspecto, o da política exterior, pode xogar a favor de Rouhaní nas próximas eleccións. Pero este escenario é igualmente volátil, imprevisto e moitas veces contraditorio. A aparente concentración da atención en Corea do Norte por parte da administración Trump degrada precisamente esa atención cara Irán, se ben dentro da caixa de resonancia conflitiva que Washington precisa ocasionalmente para garantir o peso dos falcóns no Pentágono e das necesidades do seu estamento militar e industrial. Cunha dimensión moderadamente menos conflitiva, a atención cara Irán estará condicionada pola polarización establecida en canto aos avances do acordo de Teherán do G5+1 e das imprevisibles decisións que poda adoptar Trump. Todo isto repercute no reequilibrio de forzas estratéxicas que está actualmente acontecendo en Oriente Próximo. Trump ven dando cabida ás advertencias israelís e doutros aliados estadounidenses como Arabia Saudita, Qatar e Exipto, sobre a presunta ameaza nuclear iraniana. Non obstante, esta estratexia procrea diverxencias cara outro actor chave como Turquía, en particular á hora de adoptar unha política mais definida co respecto a Irán, tal e como aspira Washington. Un elemento que pode alterar esta perspectiva é o feito de que Irán é un país chave para o equilibrio en Oriente Próximo. Tres escenarios conflitivos explican o porqué desta importancia xeopolítica iraniana: Siria, Iraq e Iemen. No caso do interminable conflito sirio, Teherán xoga un papel chave nas negociacións que se levan a cabo en Astaná (Kazajstán) baixo auspicio de Rusia. Existe un presunto fronte común conformado por Rusia, Turquía e Irán para tentar manter ao réxime de Bashar al Asad en Damasco. Pero aquí xorden algunhas rivalidades sectarias entre Turquía e Irán, particularmente dentro da secular confrontación entre xiítas e sunnitas persistente dentro do mundo islámico. Paralelamente, a influencia e incidencia de Teherán é igualmente relevante na resolución do escasamente atendido conflito iemenita, así como no equilibrio político dun Iraq estruturalmente volátil. Con menor pero non irrelevante incidencia están os casos de Palestina e da eventualidade dunha autonomía kurda en Oriente Próximo. Teherán mantén un corredor estratéxico en torno a Palestina, Siria e Líbano a través das súas históricas alianzas cos movementos islamitas Hamás, Hizbulá e Yihad Islámica. Non obstante, a recente reorientación política dun Hamás cada vez mais encorado nos intereses de Qatar e Arabia Saudita, lle resta a Teherán certo marxe de manobra. No caso kurdo, Irán posúe poboacións de orixe kurdo ao noroeste, en fronteira con Iraq, Turquía, Armenia e Acerbaixán. Pero a visión de Teherán é a de evitar unha entidade kurda independente en Oriente Próximo que estableza unha presión constante cara os kurdos iranianos. Neste sentido, Teherán repele calquera manifestación de irredentismo kurdo pero, ó mesmo tempo, establece un contacto de feito coa Rexión Autónoma do Kurdistán do Norte de Iraq. A relevancia xeopolítica iraniana amplíase igualmente nas súas crecentes relacións exteriores. Teherán establece un revival do corredor euroasiático xunto a Rusia e Turquía, toda vez as súas relacións con China son estratexicamente importantes. Beijing, ao igual que Moscova, constituíse no principal aliado iraniano nos tempos das sancións internacionais impulsadas dende Occidente a través da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA). Paralelamente, Irán é ruta de paso da ampliación das Rutas da Seda impulsadas dende Beijing, ó mesmo tempo que avanza na normalización das súa relacións internacionais a través de novos socios comerciais como India, Paquistán e Xapón. En definitiva, a diplomacia iraniana ven establecendo marcos de normalización das súas relacións internacionais tras décadas de illamento e confrontación, principalmente con EUA. Resulta por tanto interesante observar que, pese ao acordo nuclear co G5+1, a política aperturista de Obama e Rouhaní e finalmente a súbita alteración desta política coa presidencia de Trump, estes factores non constitúen temas chaves dentro da axenda electoral iraniana nin semellan exercer un decisivo peso político de cara aos comicios presidenciais. Este contexto é igualmente visible incluso no caso dun retorno conservador en Teherán en mans de Raisi, similar ao xiro radical outorgado recentemente na Casa Branca. Independentemente do resultado electoral, Irán impón a súa propia dinámica, marcada por factores de equilibrios e de desenvolvemento internos. Ao contrario de anteriores comicios presidenciais, os incómodos avatares da política exterior non exercen nesta ocasión un efecto tan decisivo.