ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_2023 | A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asegurou na cuarta feira que, segundo os datos solicitados por Augas da Galiza, a vertedura de xurro producida na terza feira en Trazo, e da que se tivo coñecemento esta cuarta feira, non chegou o río Tambre, aínda que se manteñen as "medicións constantes" para asegurar a calidade da auga. | A conselleira lembrou que o 112 recibiu a última hora da terza o aviso de que se producira unha vertedura de xurro nun afluente do Tambre. No momento puxéronse en marcha medidas de contención para evitar o transvasamento ao Tambre, fundamentalmente con palla, e desprazáronse á zona efectivos de Augas da Galiza. Coas "últimas informacións", dixo a conselleira, e "despois de realizar onte as medidas de contención da vertedura", estas manobras "parece que foron as acertadas" e non hai constancia de que exista afección para o río. Con todo, os técnicos de Augas de Galiza seguen con "medicións constantes" e pediuse ás concesionarias dos servizos de augas de Santiago e Ames que fagan "analíticas de seguimento". Os concellos, avisados A Xunta deu aviso aos concellos de Trazo, Santiago, Val do Dubra, A Baña, Ames, Brión, Outes, Noia e Negreira, por se a súa subministración de auga puidera verse afectada. Foi un veciño o que chamou ao 112 a última hora da terza feira alertando da vertedura no Rego do Souto, en Trazo, próximo ao Tambre, o que permitiu activar de inmediato os mecanismos de protección xunto con autoridades locais. Paralelamente, os xestores do 112, en coordinación cos técnicos da Axencia Galega de Emerxencias e da Dirección Xeral de Emerxencias, informaron o persoal do centro de control de verteduras, pertencente a Augas da Galiza. Tras as primeiras inspeccións dos técnicos de control de verteduras, a mancha aínda non alcanza o curso principal do Tambre, polo que se continúa cos traballos para restabelecer a seguridade na zona. Aínda que a subministración de auga en moitos dos concellos informados non depende directamente do río Tambre, recibiron igualmente a información sobre este suceso para que manteñan a vixilancia e control necesarios. |
NOS_47156 | A serie #feijóomentirán lanza máis un capítulo dedicado desta volta ás mentiras do goberno en materia de emprego. | A campaña viral lanzada polo BNG a través das redes sociais, achéganos no cuarto capítulo as promesas electorais que o até o de agora presidente da Xunta fixera inicio da lexislatura. Rematar co desemprego en 45 días ou a aprobación dun Plano Autonómico de Emprego para os cinco anos posteriores foron algúns dos compromisos lanzados polo Partido Popular en 2009. Tres anos e medio despois, o Bloque Nacionalista Galego fai balance e asegura que "Feijóo incumpriu todas as súas promesas electorais nesta materia" pois no que foi de lexislatura suman xa máis de 113.000 as persoas que perderon o seu emprego, nun país con 275.000 persoas desempregadas –na súa maioría, xente moza--. |
NOS_47846 | A metade dos aprobados nas oposicións docentes non tiñan experiencia no corpo docente, descobre un estudo da CIG Ensino, que critica que non se valoren os méritos das traballadoras e traballadores do ensino. | Case a metade dos aspirantes que aprobaron as pasadas oposicións docentes ten 0 puntos no baremo de experiencia no corpo, co que nunca traballaron no corpo docente ao que opositaban, se engadimos os que teñen menos dun ano e medio de experiencia ascende até o 66% dos aprobados, denuncia un estudo da sección de ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG). Para o sindicato, isto amosa como "a experiencia acumulada é un mérito maioritariamente irrelevante para obter unha praza fixa", o que deixa nunha situación moi vulnerábel o profesorado interino, con especial énfase nas e nos pedagogos das especialidades máis minoritarias, polo que chama a explorar vías diferentes para resolver os problemas xerados "polo abuso da temporalidade por parte da Consellaría de Educación nos últimos anos", apuntan. Malia o uso recorrente destes mecanismos por parte da Xunta da Galiza, as porcentaxes de aprobados sen experiencia no corpo docente ao que se presentaron son especialmente altas en secundaria (50,6%), Escolas Oficiais de Idiomas (57,1%) e mestras (52,6%). Os datos das oposicións revelan como só o 24,8% dos profesionais que conseguiron superar as oposicións tiñan unha experiencia superior a tres anos, mentres que no caso das docentes con máis de 10 anos de servizos prestados só o 6,2% acadaron praza fixa, indica a CIG Ensino, que lembra as diferencias da porcentaxe de interinidade entre os corpos docentes. Garantir un concurso-oposición Outro dos aspectos criticados deste proceso é a carencia dun proceso de concurso ao limitar a oposición á proba práctica e teórica, incide a CIG que isto impide que computen axeitadamente os anos dedicados á docencia, así como que "unha parte moi maioritaria das persoas aspirantes poida demostrar a súa capacidade pedagóxica na segunda parte, que consiste na exposición e defensa dunha programación e dunha unidade didáctica". O sindicato cuestiona os acordos de CCOO, UGT e CSIF co Goberno do Estado liderado polo PP, e advirte con respecto ás oposicións de 2020 que "moito profesorado con varios anos de servizo verá empeoradas as súas condicións de traballo, ou ben pasando a ser substituto ou substituta ou ben directamente ao desemprego". A proposta da CIG Ensino para resolver esta problemática é un acceso diferenciado para as prazas estruturais e as derivadas de xubilacións ou falecementos. |
NOS_8310 | Baixo o pano da 'non discriminación', o ministro de xustiza, pretende impor ás mulleres a obriga de pariren e coidaren crianzas, ao tempo que o seu goberno diminúe e elimina todas as axudas á dependencia e os servizos sociais fundamentais. | As declaracións do ministro de xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, no xornal ultra conservador La Razón, adiantaron unha parte da inminente (re)penalización do aborto. A nova lei orgánica que prepara o Partido Popular non só volverá á lei de 1985 senón que algúns dos supostos recollidos na mesma serán obxecto de revisión, entre eles, a posibilidade de abortar no caso de malformacións no feto. Para o ministro de xustiza, é "eticamente inconcibíbel" termos convivido tanto tempo coa lexislación de 1985 polo que a nova lei deberá garantir o mesmo nivel de protección para aqueles fetos que posúan unha malformación ou eiva. Para Lupe Ces, militante de Mulheres Nacionalistas Galegas, "a cuestión non está nos problemas derivados de parir crianzas eivadas, senón no roubo do noso dereito a decidir como cidadás". Segundo Lupe, a lexislación debe garantir o dereito das meniñas e meniños a naceren desexadas e non "condicionad@s pola moral" dun modelo ideolóxico –representado no goberno, que procura vestir de dereito "o que non é mais que unha imposición" e unha limitación á autonomía das mulleres para decidiren sobre o seu propio corpo. Baixo o pano da 'non discriminación', o ministro de xustiza, pretende impor ás mulleres a obriga de pariren e coidaren crianzas, ao tempo que o seu goberno diminúe e elimina todas as axudas á dependencia e os servizos sociais fundamentais. Salienta Lupe,que as políticas regresivas do Partido Popular "condenan a moitas persoas á exclusión social", o que reflicte unha gran "crueldade". Tamén así, Margarida Corral, secretaria confederal de CIG-Muller, denunciou o anuncio de Gallardón ao entender que procura máis unha vez, que "sexamos as mulleres as que asumamos en solitario os coidados das persoas dependentes", sen ter en conta a libre decisión das mulleres sobre a súa maternidade, e sen procurarlles os "servizos e a atención que requiren durante toda a súa vida". Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego considerou "intolerábel" o anuncio de Gallardón e a súa ameaza de retrotraer a lexislación en materia de aborto. A deputada nacionalista no Congreso d@s Deputad@s, Olaia Fernández Davila, exixíu a comparecencia do ministro de xustiza na Comisión de Igualdade para que explique dunha vez e por todas, a reforma que fará da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Libre Interrución do Embarazo. Para Davila "tanto Gallardón coma o Goberno de Rajoy quérennos levar a un tempo de involución propio do pasado, involución social, económica e ideolóxica". As declaracións de Gallardón dan mostra do perfil ideolóxico do actual goberno español, asentado nunha ideoloxía "ultra católica, desnortada e aferrada a noutros tempos", sentenciou a deputada nacionalista. Así mesmo, Margarida Corral afirma que a iniciativa do goberno popular supón un paso alén "na política retrógrada e ultraconservadora do Partido Popular, non só no que ten que ver co recorte ao dereito das mulleres a decidiren libremente sobre os seus corpos, senón polo que supón a criminalización das mulleres que decidan abortar, tipificando este acto como delicto, e por tanto abocando ás mulleres á clandestinidade e á inseguridade sanitaria e xurídica". |
NOS_15630 | O asasino suicidouse con posterioridade. | Esta sexta feira (15 de xullo) rexistrouse máis un feminicidio no Estado español, o quinto no que vai de mes --segundo as cifras oficiais. Isto é, cinco mulleres en quince días. Nesta ocasión aconteceu en Málaga onde foron atopados dous cadáveres no interior dunha vivenda familiar. Após as investigacións a Garda Civil confirmou que se trata dun crime por razón de xénero no que o asasino, o seu compañeiro, se suicidou con posterioridade. No que vai de ano a cifra ascende a 22, de acordo cos dados fornecidos polo Ministerio español de Sanidade. Na Galiza, en 2015, producíronse dous feminicidios, o de Beatriz Rodríguez (Arbo) e Isabel Fuentes (Ourense). |
PRAZA_6135 | O vigués Moncho Iglesias leva ano dando clase en Belén e Nablus, aínda que hai meses que tivo que abandonar Palestina, ante a negativa de Israel a renovarlle o seu permiso de residencia. Falamo con el sobre o día a día do pobo palestino, e da nova operación militar en Gaza, que xa matou máis de 200 persoas. | "Mohammad é alegre e simpático/ Di que lle gusta rir/ E que ri, cando menos, media hora ao día (...) O resto do día chora/ Case todos os seus amigos morreron/ ou están en prisión". O profesor vigués Moncho Iglesias describiu con versos coma este (Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos, Edicións Positivas, 2008) a normalidade de Palestina, un día a día de morte e de violencia, pero tamén de vida, de ilusións e de desexo de liberdade. A ofensiva do exército israelí en Gaza, redobrada a pasada noite, provocou xa máis de 200 mortos, e mantén a súa intensidade, despois de que Israel ordenase a cen mil palestinos abandonar as súas casas. Porén, Iglesias lembra que "o conflito sempre está aí. Estes días saltou aos medios por estes tres rapaces xudeus que mataron. O día a día de Palestina, o que os seus habitantes teñen que soportar a diario, non sae nos medios: que entren en casas de xente continuamente, que os leven detidos, as folgas de fame dos presos, a propia situación cotiá dos detidos". "O día a día de Palestina, o que os seus habitantes teñen que soportar a diario, non sae nos medios: que entren en casas de xente continuamente, que os leven detidos, as folgas de fame dos presos" Falamos con el en Vigo. Moncho Iglesias é na actualidade profesor na Universidade de An-Najah, en Nablus, como antes o foi durante varios anos en Belén. Porén, hai varios meses que non pode entrar en Palestina. Como relatou con detalle nesta entrevista, despois de que expirase o seu permiso de residencia, e de que despois de viaxar a Xordania solicitase un visado provisional de turista, as autoridades israelís impedíronlle a entrada no país, unha mostra para Iglesias de que "Palestina non existe". "Non hai visados de traballo para traballar nos territorios ocupados. Palestina non o pode conceder, e depende unicamente de Israel, que non mo dá", sinala. Porén, declárase optimista: "Gardo a esperanza como eses millóns de Palestinos que tiveron que deixar as súas casas hai décadas, pero que aínda conservan as chaves desas casas". Dende a distancia observa o que está a suceder en Gaza: "O tratamento informativo do que sucede en Gaza parece o da lotaría: cántanse unicamente números. Resulta molesto ver como só se manexan cifras", di. "Os ataques non son contra Hamas. Están morrendo nenos, e un neno non se pode identificar cunha tendencia política ou relixiosa", sinala, "moitos si serán militante de Hamas ou doutros partidos políticos. Pero iso tamén vén provocado: se matan alguén da túa familia pola súa militancia a un grupo, a reacción natural é que ti tamén te afilies a ese grupo". "A normalidade en Palestina, por exemplo nas miñas clases, é que falte un alumno porque está detido, ou as restricións de movemento para ir dun barrio a outro..." Porén, Iglesias salienta que este é o día a día en Palestina: "A normalidade en Palestina, por exemplo nas miñas clases, é que falte un alumno porque está detido, ou as restricións de movemento para ir dun barrio a outro... A violencia e o medo son a normalidade alí. E iso non debería ser normal". Conta que unha vez, cando estaba en Belén "chamáronme para que fose a casa duns amigos. A casa fora destrozada polos militares israelís, había balazos nas paredes, e os nenos xogaban pola casa. E eu preguntábame como podían vivir esa situación así, con esa tranquilidade. E foron eles os que tiveron que animarme a min, dicíndome que non era nada, que ao día seguinte limparían todo e seguirían adiante". "O cambio, a solución, ten que vir dende fóra, dende dentro non se pode" -di- "Ten que haber unha intervención dende fóra, unha mediación" Hai solución para o pobo palestino? "O cambio, a solución, ten que vir dende fóra, dende dentro non se pode" -di- "Ten que haber unha intervención dende fóra, unha mediación. Dentro hai cada vez máis odio, hai xa varias xeracións que nunca viviron en liberdade, non hai aire que respirar". Prén, denuncia que "a comunidade internacional non está facendo nada por solucionar un conflito que leva moitísimos anos". En calquera caso, Iglesias destaca que "Palestina non é morte nada máis". Cita o poema de Rafif Ziada ("nós ensinamos vida, señor") e destaca que "é certo, porque en Palestina hai moito máis: hai xente que le, xente que escribe, xente que canta, xente que escoita, xente que baila...". Sinala igualmente que "hai moito humor en Palestina, fanse moitos chistes, mesmo humor negro sobre a súa situación" e lembra o filme Bromas Aparte de Vanessa Rousselot. "Hai moita xente que quere vivir, e que quere ser coñecida polo que fai", conclúe. "Hai moita xente que quere vivir, e que quere ser coñecida polo que fai" Palestina mantén a ilusión e a vida: "Dicía un amigo meu que el tiña ilusións, pero que era consciente de que as súas ilusións tiñan un límite, de que el era apátrida, de que non podía saír de Palestina. Pero el dicía todo isto cun sorriso na boca, el seguía soñando aínda que sabía que os seus soños non se podían cumprir", explica Iglesias. Tamén mantén intacto o desexo de liberdade que tan ben describiu Mahmud Darwish: "Para a nosa patria, un teito de nubes". |
PRAZA_447 | A cifra de negocio total das manufacturas de alta tecnoloxía pasou de superar o millón de euros en 2009 a ficar en 276 mil en 2013, acumulando catro anos de caídas. Os datos do INE constrastan co optimista discurso da Xunta. | "Que inventen eles!". Á hora de falar dos recortes nos investimentos en I+D ou das dificultades dun país para que se desenvolvan os seus sectores tecnolóxicos e baseados no coñecemento adóitase botar man desta castiza frase de Miguel de Unamuno. O discurso oficial é sempre moi distinto, dende as institucións predícase coa importancia clave do I+D+i e das producións baseadas na alta tecnoloxía. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo gravou hai un par de meses o seu discurso de fin de ano dende o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, no Porriño, como un símbolo dun "futuro prometedor", dixo. Iso si, na súa intervención houbo pouco espazo para lembrar a crise da ciencia en Galicia ou que a I+D galega perdeu o 19% do seu persoal investigador dende 2010, uns 1.300 investigadores e investigadoras menos. Os recortes e a crise non só afectan aos grupos de investigación universitarios, traballen en colaboración con empresas externas ou non, senón que tamén está deixando pegada nos sectores produtivos cunha gran compoñente de tecnoloxía. Aqueles, adóitase repetir, que poden xerar maior valor engadido e que poderían ser a base dunha economía galega diferente e máis competitiva. O INE vén de publicar os seus Indicadores de Alta Tecnoloxía correspondentes ao ano 2013, que amosan unha tímida recuperación no conxunto de España, pero que tamén revelan un estancamento xeral en Galicia, con caídas nos capítulos de persoal e de gastos internos no sector de alta tecnoloxía. Ademais, a cifra de negocio nos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta segue descendendo e supón apenas unha cuarta parte dos datos de 2009. A cifra de negocio das manufacturas de alta tecnoloxía en Galicia pasou de superar o millón de euros en 2009 a ficar en 276 mil en 2013, acumulando catro anos de caídas De feito, esta cifra de negocio total das manufacturas de alta tecnoloxía pasou de superar o millón de euros en 2009 a ficar en 276 mil en 2013, acumulando catro anos de caídas. A cifra de negocio nos sectores manufactureiros de tecnoloxía media-alta mantense estancado dende ese ano 2009, cando superaba os oito millóns de euros, sendo hoxe algo superior aos 7,6 millóns, cun incremento -iso si- dende os datos de 2012. No conxunto do Estado, os sectores que empregan alta tecnoloxía pasaron dende unha cifra de negocio de 25,3 millóns de euros ata os actuais 24,1 millóns, crecendo dende os 22,7 millóns de 2012. Os sectores baseados en tecnoloxías media-altas incrementaron a súa produción dende os 116,8 millóns de 2009 ata os actuais 126,1 millóns. 2009 2010 2011 2012 2013 Persoal en I+D 2.063 2.144 2.179 2.277 2.171 Gastos internos no sector de alta tecnoloxía 139.829 134.319 132.071 131.038 119.609 Cifra de negocio nos sectores manufactureiros de tecnoloxía alta 1.016.516 461.203 368.150 317.961 276.710 Cifra de negocio nos sectores manufactureiros de tecnoloxía media-alta 8.055.870 8.021.168 7.825.328 6.769.389 7.625.740 Indicadores do sector da alta tecnoloxía en Galicia. Fonte: INE |
PRAZA_10908 | O incendio máis destrutivo da vaga é o de Monforte, controlado pero aínda non extinguido catro días despois, con case medio milleiro de hectáreas ardidas. A política informativa da Xunta provoca que os balances de hectáreas ardidas no conxunto de Galicia sexan, necesariamente, provisionais e incompletos ata o ano seguinte | Coma sempre dende hai unha década, calquera balance de hectáreas ardidas nos montes galegos é provisional ata a primavera do ano seguinte, cando o Ministerio de Agricultura e a Xunta divulgan as cifras oficiais da campaña de incendios do ano anterior. Partindo desta base, forzada pola política informativa do Goberno galego, a vaga de incendios iniciada a pasada semana comeza a remitir ao amainar o vento do nordés que contribuíu a impulsala, aínda que o risco de incendio segue a ser "extremo" na metade sur do país. A política informativa da Xunta provoca que os balances de hectáreas ardidas no conxunto de Galicia sexan, necesariamente, provisionais e incompletos ata o ano seguinteAtendendo á información que a Consellería do Medio Rural si revelou, esta vaga de incendios foi menos destrutiva que a anterior deste ano, a da primavera, que roldou as 3.000. Desta volta as cifras reveladas polo departamento gobernamental roldan as 1.100 hectáreas en algo menos dunha decena de incendios comunicados oficialmente en aplicación da devandita política informativa, segundo a cal só fan parte dos balances oficiais os incendios superiores a 20 hectáreas e, por baixo desa superficie, os que afecten a áreas habitadas ou zonas protexidas.O incendio máis destrutivo da vaga é o de Monforte, extinguido a últimas horas do luns, con case medio milleiro de hectáreas ardidasPartindo de todos estes condicionantes o incendio máis destrutivo desta vaga de incendios é o que tivo a súa orixe na parroquia monfortina de Seoane e que catro días despois do seu inicio aínda non puidera ser extinguido, aínda que si controlado. A superficie de hectáreas ardidas neste incendio, que se expandiu ao concello veciño de Pantón, achégase ao medio milleiro. Quedou extinguido a últimas horas do luns, 9 de setembro.O seguinte en superficie afectada foi o que comezou na parroquia de Oleiros, en Ribeira, dado por extinguido este luns con 197 hectáreas ardidas. Pola súa banda, o incendio que ardía tamén dende a pasada semana no concello ourensán de Lobeira, dentro do parque do Xurés, cunhas 150 hectáreas ardidas foi dado por extinguido este luns. Tamén atinxiu a este espazo protexido outro incendio de apenas 10 hectáreas, neste caso dentro do concello de Muíños.Fisterra, Porto do Son, Cenlle ou Zas completan este balance provisional da principal vaga de incendios deste verán do 2019 en Galicia. Así e todo, só unha ollada aos focos revelados por axentes e bombeiros forestais ou mesmo por concellos afectados -a través das redes sociais e outros medios- amosa ás claras que os medios de extinción tiveron que actuar en moitos máis focos, a maioría de dimensións relativamente pequenas. Bombeiros e axentes forestais e mesmo concellos revelan incendios que non se atopan na información oficial da Xunta, que si divulgou fotografías de "artefactos incendiarios localizados" polos servizos de extinciónFoi o caso, só nos últimos tres días, de concellos coo Rodeiro, Silleda, Castro de Rei, Culleredo, Ribas de SIl, Marín, Guitiriz, Xermade ou Allariz, entre outros. O mesmo sucede se a fonte consultada son medicións mediante ferramentas frecuentemente utilizadas por persoas expertas na materia.Mentres, por parte da Xunta a mensaxe central continúa a ser a da necesidade de "intensificar a loita contra a actividade incendiaria" xa que, mantén Medio Rural, a maioría dos incendios desta vaga foron provocados. Para reforzar esta idea a Consellería decidiu distribuír entre os medios fotografías "dalgúns dos artefactos incendiarios localizados polos profesionais" dos servizos de extinción "nalgúns dos lume rexistrados nos últimos días en Galicia". |
NOS_34804 | Nace para pular polo galego, promover a colaboración entre as distintas institucións para lograr unha xestión máis eficaz dos proxectos colaborativos en materia de lingua. | Compostela acolleu o nadcemento a Asociación de Entidades Locais pola Lingua, que xorde co obxectivo de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma. Un total de quince concellos de toda Galiza estiveron representados na xuntanza, a través dos seus alcaldes e alcaldesas, de concelleiros e concelleiras, e de persoal técnico dos servizos de normalización. Ademais do alcalde da cidade anfritrioa, Santiago, Martiño Noriega, participaron representantes de A Baña, Ames, A Coruña, Teo, Ribadeo, Ferrol, Narón, Ponteceso, O Grove, Rianxo, Pontevedra, Moaña, Vilagarcía, e Rois. Compostela, A Baña, Ames, A Coruña, Teo, Ribadeo, Ferrol, Narón, Ponteceso, O Grove, Rianxo, Pontevedra, Moaña, Vilagarcía, e Rois. Os integrantes son concellos que xa veñen colaborando en proxectos como o Apego, o certame Youtubeir@s ou o Club de Debate. O obxectivo da nova asociación será promover a colaboración entre as distintas institucións para lograr unha xestión máis eficaz dos proxectos colaborativos en materia de lingua. Na asemblea acordouse que a presidencia da Asociación recaerá en Rianxo, a vicepresidencia no Concello do Grove, Pontevedra ocupará a secretaría e Ames a tesourería. Ademais, Narón, Rois e Santiago serán ocuparán as tres vogalías da entidade. |
NOS_51147 | Pau Morales e Gonzalo Bonnin, das mocidades de ERC, estiveron en Compostela para falar do proceso que vive Catalunya e do 1-O. Agradeceron a solidariedade de Galiza e outros territorios perante o "ataque de histeria do Estado español" e deixaron unha mensaxe clara: "a única ameaza real" que ten o réxime do 78 sobre a mesa é o referendo. | Catro persoas despregan un cartaz e a xente que ateiga a sala da Facultade de Filosofía da Universidade de Compostela rompe a aplaudir. O cartaz, editado pola Generalitat, informa do referendo catalán do 1-0 e é idéntico aos que está a requisar a Garda Civil en diferentes puntos de Catalunya. "Menos mal que non nolo detectaron no aeroporto", ironiza Gonzalo Bonnin, da sectorial internacional das JERC, as mocidades de Esquerra Republicana. Lembra que a noite anterior a esta charla na que participa en Compostela, axentes policiais indentificárono a el canda outras persoas simplemente por estar a colar cartaces electorais na súa vila. "Comisáronnos o material e o balde con cola", engade, no que entende como unha mostra máis da "demofobia" que padece o Estado español. "A única ameaza real a esta sistema somos nós, os independentistas". Pau Morales Bonnin e Pau Morales, voceiro das JERC, estiveron esta terza feira na capital galega para tomar parte no acto 'A loita pola liberación dos pobos. Apoio ao referendo de Catalunya', organizado por Galiza Nova e no que estaba prevista a intervención de Pernando Barrrena (Sortu), que non puido finalmente asistir. Rubén Cela (BNG) e Navia Rivas (Galiza Nova), completaban a mesa de intervintes nunha conferencia sobre a que pairaba certa expectación por se finalmente era prohibida, como aconteceu con outras en Gasteiz e outros lugares. "Intentamos un referendo pactado" Pau Morales afirmou que o referendo do 1-O vai realizarse "e con todas as garantías. "Como nun proceso electoral máis", indicou. Vai facerse porque así o decidiron os cidadáns nas eleccións de 2015 ao dar a maioría absoluta ás formacións independentistas e porque así o posibilitan as leis aprobadas no Parlament catalán o 6 e 7 de setembro. "Intentamos un referendo pactado", explicou o voceiro das JERC, mais non foi posíbel por mor da "demofobia" do goberno español. "Somos republicanos, progresistas, de esquerdas. Queremos deixar de ser independentistas canto antes" (Gonzalo Bonnin) Morales considera que os pasos e actuacións que están a facer desde o Estado español responden a un "ataque de histeria". Reprochou a Podemos, sen citalos, que reduzan a solución para Catalunya a sacar Rajoy do poder. "Así acabouse o problema? Non, porque o problema é a oligarquía que goberna" e que sitúa como principal responsábel de negar o dereito a decidir en Catalunya. Iso si, o mozo independentista catalán mandou unha mensaxe a navegantes: O embate do Estado vai en serio e nel xóganse moito todos os territorios, non só Catalunya. "Se poden con nós, nada os vai parar" para acelerar políticas de recortes en dereitos e liberdades civís e políticas. "Se gañamos nós nada vai ser igual. Se perdemos, van ir por todos, incluso a polos que se poñen de perfil". "Catalunya ensínanos que o futuro non está escrito, e que co apoio do pobo todo é posíbel" (Rubén Cela) "Tamén queremos gañar por vós" Gonzalo Bonnin falou de como se está a vivir en Catalunya a resposta represiva do Estado. "Na miña vila recibimos o outro día 7.000 cartaces do referendo e semellaba que estabamos traficando", dixo, referíndose aos comisos de material que nestes días realiza a policía. "Queremos deixar de ser independentistas canto antes", indicou, ao tempo que agradecía os apoios ao proceso de autodeterminación que reciben desde diferentes lugares, de Galiza e Euskal Herria a Escocia, Irlanda ou Sardeña. O 1 de outubro, afirmou, "imos gañar e imos facelo tamén por vós", dixo dirixíndose aos presentes que ateigaban a sala. "Apoiamos o 1-O xa non como nacionalistas, senón como demócratas" (Navia Rivas) Rubén Cela, BNG, chamou a demostrar a solidariedade do pobo galego para co pobo catalán, e incidiu, nunha liña que tamén apontaron os representantes cataláns na palestra, que a única ruptura co réxime do 78 é a que ven dos procesos constituíntes das nacións sen estado. De por parte, Navia Rivas (Galiza Nova), sinalou que hai que apoiar ao 1-O "xa non como nacionalistas, senón como demócratas", ao tempo que indicaba que en Catalunya estase a abrir unha porta aberta a un debate "do que Galiza non pode ficar fóra". Acto censurado en Ribeira e concentración na Coruña Galiza Nova e BNG denuncian que o Concello de Ribeira vén de denegarlle á organización xuvenil nacionalista o uso dun local municipal para a realización dunha palestra sobre o dereito a decidir das nacións sen Estado. Faino referenciando as resolucións do Tribunal Constitucional 4332, 4333, 4334 e 4335-2017 (publicadas no BOE do 8 de setembro de 2017) e á Sentencia do Constitucional 259/2015. E tamén o fai indicando que "puidese interpretarse a cesión da sala por parte do Concello como favorecer un acto de apoio a un referéndum convocado por unha lei que foi suspendida polo Tribunal Constitucional". Esta terza feira tivo lugar no Obelisco da Coruña unha concentración en réxime de autoconvocatoria baixo o lema "Polos dereitos civís. Polo dereito a decidir". |
NOS_20093 | Con corenta anos de traxectoria, Pepe Barro converteuse nun dos principais nomes da historia do deseño galego. Fala con admiración de Castelao e Seoane como pioneiros en reflexións que deita no libro O como é o que conta. Pepe Barro é o autor da imaxe da manifestación pola unidade do 25X. | -Como autor da imaxe da manifestación do 25X, que mensaxe quixo transmitir? As imaxes son moi abertas, máis que a linguaxe mesma, e préstanse a moitas interpretacións mais neste caso todo o mundo identifica a bandeira. Recóllese un referente claro que é a nosa bandeira e hai unhas liñas oblicuas que parecen unirse nun lugar, tenden a confluír. Coido que iso é o que le todo o mundo. Trátase de expresar algo moi elemental. Que logo se podan ver máis elementos e máis suxestións depende de quen o interprete. A referencia clara é á bandeira e a esa chamada á unidade. No contexto galego, creo que se ve con claridade. Os contextos son moi importantes mais en certa ambigüidade reside a forza da poética. -Non é a primeira vez que vostede "deconstrúe" a bandeira. En certa medida, a imaxe lembra a camiseta da selección galega, deseño tamén da súa autoría... A bandeira está en moreas de propostas, mesmo no cartaz do Festigal, poño por caso, se pode ver. En principio, non ten a ver coa camiseta da selección aínda que tamén aí había unha idea de grupo, de moitos dicindo o mesmo... A nosa bandeira, de todas maneiras, ten un problema gráfico que é que non se pode estender mais, sen embargo, ten unha grande vantaxe que é a diferencia da inmensa maioría pola singularidade de ser unha banda diagonal o que lle dá outra forza. -Corenta anos de profesión e o tema da identidade moi presente en moitos dos seus traballos... É unha temática que cito con frecuencia, non sei se por azar ou por necesidade. Traballo moito nestes campos. De todas maneiras, un dos xéneros que temos os deseñadores gráficos é a identidade, ben sexa de empresa, de institucións, de eventos... e un reflexiona sobre o que significa en cada caso concreto. Este si é un traballo claro de reflexión sobre a identidade. -Como recibe a encomenda de darlle imaxe a unha manifestación como a do 25X? Como unha honra. Que te chamen para algo así supón sentirte parte dese sentimento de que xuntos podemos avanzar. Isto é o que defendemos moitos e desde hai moitos anos e non sexa de ser unha felicidade que cadre a encomenda co que ti pensas. Os profesionais temos que facer moitos traballos cos que non concordamos aínda que debe haber un tanto por cento de complicidade con quen o encarga. Neste caso é unha felicidade que os compañeiros e amigos boten man de min para esta imaxe. -En canto á relación de identidade e deseño, no libro que vén de publicar O como é o que conta (descarga de balde na páxina web da Asociación Galega de Deseñadores), chama a atención de que dous dos "pais da Patria" como son Castelao e Seoane son deseñadores. Tanto nun como no outro, aínda que non sexan actividades únicas, son centrais. No caso de Castelao é claramente vocacional e unha faceta moi querida e o certo é que en ningún dos dous está a súa obra estudada neste campo. -En canto deseñadores, eran avanzados? No seu momento, eran. Con todos os atrasos técnicos que tiñamos gozaban dunha ambición intelectual que facía que a súa obra fose comparábel con calquera deseñador de calquera país. -Nese deseño para identificar un país, vostede inclúe tamén a Isaac Díaz Pardo. É a pedagoxía que Seoane fixo con Isaac que foi formado en Madrid no rexime franquista mais sabía onde vivía. Naquela posguerra non había no Estado Español información sobre o que significaba o deseño e as vangardas europeas que si tiña Seoane nunha cidade como Bos Aires. Por vontade propia era unha persoa moi informada. Neira Vilas di que era o galego polo que pasaban máis libros pola súa man, dous ou tres ao día, comentaba. Era unha persoa moi informada e transmitiu a Isaac esa bagaxe. -No seu libro cita con admiración unha frase de Seoane: "Quero enriquecer o mundo coa nosa diferencia", é tamén a súa idea? Non sempre é posíbel e non sempre acertas. Os deseñadores debemos partir das limitacións e riquezas que ten cada encomenda que se dan nunha sociedade determinada mais non cabe dúbida de que as correntes do pensamento son mundiais no noso tempo mais tamén no Románico, poño por caso. O da globalización non é algo tan recente. Existe unha linguaxe formal, unha bagaxe teórica que todos practicamos. Esa frase que é bandeira para Seoane é importantes para os galegos mais non sempre é posíbel nin doado. -Poderíamos citar moitos deseños máis seus, a web da RAG, a Casa-Museo de Rosalía, a de Dieste... mais vostede móstrase especialmente gabancioso do paquete para os ovos do Pazo Vilane... O fondo do que fun beber é da produción de Barcelos, no norte de Portugal que, ao meu ver, é tamén a nosa cultura. Dese fondo de decoración popular nace a inspiración na que se basea a imaxe da caixa de ovos. A decoración popular adoita ser imperfecta, manual, e transmite o coidado artesán, lonxe da produción industrial e seriada. Iso é o que se quería explicar nesa caixa. -Demostra que o deseño proporciona valor engadido a un produto? Neste caso así foi. Deulle identidade para un tipo de produto que naquel momento, no 97, non existía. Quería explicarse que as galiñas dispuñan de un espazo enorme para entrar e saír como lles petase e iso era a novidade que tiña que ter unha expresión tamén diferente nos lineais dos supermercados. Foi un produto que sentou unha tipoloxía non só na Galiza senón, como se vende tamén noutros lugares, tamén se tentou copiar a caixa e hai referencias ao seu deseño noutros produtos. -Neste momento, expón na Galería Vilaseco as súas "Doce miradas", cadernos de debuxo que chama a atención que veñan dun deseñador ao que se lle presupón traballar sempre con ordenador... Trátase dunha pequena intervención dentro dun ciclo no que se convida a diferentes persoas de ámbitos moi distintos con doce pezas en tamaño A4 que se expoñen na biblioteca e que se complementan cunha charla dun autor. Eu elixín pezas que teñen a ver coa miña vida e co que me influíu. Optei por acudir a imaxes tiradas dos cadernos cos que traballo nos que anoto desde a lista da compra até apuntes de viaxes... Dalgunha maneira teñen a ver coa miña vida. Eu traballo con ordenador desde hai tempo mais continúo empregando cadernos e debuxando e anotando neles. |
NOS_58144 | O Sindicato Labrego Galego realiza esta fin de semana o seu IX Congreso, no que se debatirá desde a soberanñia alimentar até a loita contra o TTIP ou cambios sindicais. | O Sindicato Labrego Galego realiza esta fin de semana enLugo o seu IX Congreso, que decorrerá baixo o lema 'Terra, prezos dignos e soberanía alimentar', e que chega após un proceso no que se realizaron máis de 30 asembleas comarcais. Nos textos congresuais a debate sinálanse "as políticas agrarias neoliberais desenvolvidas pola Xunta, o Ministerio de Agricultura e a Comisión Europea como causa directa dunha crise xeneralizada nos sectores agrogandeiros". Unha crise que se traduce en "prezos ruinosos" para os labregos, especialmente en producións gandeiras como o do leite, o de vacún para carne, cunícola e porcino. A isto engádese a destrución de postos de traballo no sector, o avellentamento, a desertización do rural... Unha realidade que hai que entender, considera o SLG, á luz de que "o actual sistema agroalimentario posibilita que as grandes multinacionais da distribución e da industria alimentaria exerzan unha posición de dominio absoluto na cadea de valor". O SLG fornece datos para apoiar estas afirmacións: Menos dun 5% das persoas titulares das granxas galegas teñen menos de 40 anos, mentres que o 60% pasa dos 60; ou que das 827.000 persoas dedicadas ao agro que tiñamos nos anos 50 do século pasado (70% da poboación activa), pasouse ás 59.000 de 2012 (5'5%); testemuñan que a nosa agricultura sufriu a reconversión máis brutal da historia de Galiza experimentada por calquera sector profesional, cunha perda do 93%. No Congreso tamén se debatirán as consecuencias do TTIP, ou a cuestión das terras. Na Galiza apenas o 24% do territorio é superficie agraria útil. SLG aposta en aumentala. O que se liga á defensa da soberanía alimentar de Galiza. Nos debates deste sábado, que terán lugar de no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo, someteranse ao voto da afiliación varios cambios nos estatutos, como a creación dun Sector de Agroecoloxía e unha Secretaría de Mocidade. |
NOS_36180 | A secretaria de Estado británica Sayeeda Hussain Warsi presentou a súa dimisión por entender "moralmente indefendíbel" a política do goberno de David Cameron sobre Gaza. | A secretaria de Estado do Reino Unido, Sayeeda Hussain Warsi anunciou a súa dimisión a través da súa conta persoal de twitter e en carta ao primeiro ministro británico. Reclamaba máis contundencia para lograr un paralizar os ataques e a "matanza de civís inocentes". O goberno de Cameron respondeu agradecendo o "excelente traballo da ministra" que fora tamén presidenta do Partido Conservador. Warsi manifestara nos últimos días a súa discordancia coa política de Cameron e reclamara das organizacións internacionais a paralización dos ataques. "Que deixen de xustificar a matanza de nenos", escribiu. Sayeeda Hussain Warsi desenvolvía no goberno británico a responsabilidade das relacións bilaterais con Afganistán, Paquistán e Bangladesh así como con organizacións internacionais como a ONU. Asumira o cargo de ministra en 2010, converténdose na primeira muller musulmana en ocupar unha das carteiras do goberno británico. En 2012, pasou a ocupar o cargo de secretaria de Estado de Exteriores mentres asumía tamén as responsabilidades da secretaría de Estado para Asuntos de Fe e Comunidades. |
NOS_48168 | O foco da xornada estará no choque entre Lugo e Mallorca, que podería acabar con Luís César fóra do banco albivermello, mais a fin de semana futbolística tamén deparará un interesante duelo Celta-Sevilla na Primeira División e seis partidos lonxe das súas casas para os galegos na categoría de bronce. | Disque segundas partes nunca foron boas, unha afirmación que no mundo do fútbol, e en especial no referente aos adestradores, parece tornar case en axioma, pois os exemplos ao longo da historia son practicamente innumerábeis. O holandés Louis Van Gaal no Barcelona ou Fabio Capello no AC Milan son dous dos máis recorrentes nunha listaxe na que podería entrar esta mesma fin de semana Luís César Sampedro. O de Vilagarcía, que na tempada 2016/17 obtivera o mellor resultado histórico do Club Deportivo Lugo -novena posición final-, respondeu á chamada do presidente Tino Saqués para dirixir a nave albivermella logo do sorpresivo despedimento de Mehdi Nafti cando o equipo contaba cun sólido colchón de seis puntos sobre os postos de descenso. Lamentabelmente, os resultados do cambio, até o de agora, non puideron ser peores. Lonxe de retomar unha senda da vitoria perdida nas últimas semanas do franco-tunesino, Luís César acumula seis partidos sen gañar, igualando o rexistro histórico do club sen sumar os tres puntos, o cal podería superar de non ser quen de imporse ao Mallorca mañá ás 18.15 horas. O desafío non podería ser máis complicado, pois a escuadra balear ocupa a segunda posición na táboa e a galega adoita baixar as súas prestacións lonxe do Anxo Carro. Mais existen razóns para o optimismo, pois A Ensaimada Mecánica atópase inmersa no seu peor momento da tempada e tan só foi quen de gañar un partido dos últimos cinco. Ademais, Sampedro é consciente de que de non conseguir volver das illas cun triunfo hai moitas posibilidades de que Saqués tome unha medida para a que non adoita ter moitos reparos, como é o cambio de adestrador, polo que o Lugo sairá desde o principio a procurar a portaría rival. O Chacho busca o desquite da súa estrea celeste Como pasa o tempo. O seu impacto na afección e no Celta como institución foi tal que parece que leva toda a vida á fronte do club, mais a realidade é que o encontro ante o Sevilla previsto para as 21 horas desta segunda feira, 12 de abril, dálle a posibilidade ao preparador arxentino de desquitarse da derrota sufrida ante o conxunto hispalense no que foi o seu primeiro partido como técnico celeste, aló polo mes de novembro. Se a Liga comezase naquel momento, e o equipo non tivese que cargar coa pesada mochila das pésimas primeiras xornadas baixo a dirección de Óscar García Junyent, o Celta ocuparía unha sexta posición que dá acceso a Europa e á que o capitán, Iago Aspas, se resiste a dicir adeus a pesar de que están situados a nove puntos. Non obstante, para iso terá que pasar por enriba do seu ex equipo, un óso duro de roer inmerso na loita por unha praza na vindeira edición da Liga de Campións, e todo co hándicap que representan as numerosas baixas que, salvo milagrosa recuperación de Araújo, obrigarán Coudet a contar de inicio co canteirán José Fontán. Nin un choque de Segunda B na Galiza Os seis representantes galegos na categoría de bronce xogarán os seus partidos desta xornada lonxe do país. Así, o filial celeste visita o campo da Cultural Leonesa (mañá, 18 horas) co obxectivo de recuperar os puntos perdidos a pasada semana. Tamén mañá continúan Rácing, Dépor e Compos a súa loita por estar na nova Primeira RFEF, enfrontándose respectivamente co Numancia de Soria (12 horas), a UP Langreo e o Marino de Luanco (ambos os partidos ás 17 horas). Finalmente, Pontevedra e Coruxo viaxan até Xixón e Villaviciosa para tratar de superar o Sporting B e o Lealdade en senllos choques que se disputarán ás 12 horas de mañá. |
NOS_28789 | A bandeira izarase na Casa do Concello após se aprobar unha moción presentada pola plataforma esquerdista PBP e obter o apoio do Sinn Féin, que ostenta a alcaldía. | Durante un mes na Casa do Concello de Dublín, a capital de Irlanda, ondeará a bandeira catalá, a 'senyera'. Un xesto en solidariedade e apoio ao pobo catalán e de rexeitamento e condena da "represión" do Estado español, segundo se explica na moción na que se propoñía izar a bandeira. Presentada pola plataforma PBP [People Before Profit, Xente antes que Beneficios], a moción tivo o apoio de diversos concelleiros independentes e de Sinn Féin, o principal partido no consistorio e ao que pertence o alcalde, Mícheál McDonncha. McDonncha defendeu o dereito de autodeterminación de Catalunya e recoñece a lexitimidade do Parlament de proclamar a independencia. Os republicanos irlandeses mostraron ao longo destes meses un apoio sen fisuras ao proceso catalán. En contra da moción votaron as dúas grandes formacións irlandesas do centro-dereita, Fine Gael e Fianna Fail, que consideran que Dublín non se debe "entremeter" no que consideran un asunto interno do Estado español. Dublín está irmandada con Barcelona. O consistorio da capital irlandesa está composto por 63 concelleiros. A formación con máis representación é o Sinn Féin, con 16 edís, seguido de Fiánna Fáil con 9, Fine Gale con 8 e o Partido Laborista tamén con 8. O PBP –responsábel da moción- ten 6 concelleiros, Os Verdes 3 e o comunista Worker's Party, un. |
PRAZA_20371 | O financiamento das bibliotecas públicas galegas permanece case estancado nos últimos anos, pasando dos 8,25 euros por habitante de 2011 aos 8,54 de 2015. Bamad subliña que "os recortes orzamentarios están deixando servizos moi deteriorados que vai custar moito tempo recuperar" | As bibliotecas públicas galegas están peor financiadas que o conxunto das bibliotecas do Estado, exactamente un euro menos por habitante, segundo os datos oficiais correspondentes a 2015, publicados este luns polo Ministerio de Educación e Cultura. O gasto corrente situouse ese ano nos 8,54 euros por habitante en Galicia, fronte aos 9,55 euros por habitante no conxunto de España. Galicia situábase entón por diante de Andalucía (5,76), Murcia (5,33), Baleares (6,02) ou a Comunidade Valenciana (6,68), pero por detrás de Asturias (8,62), Estremadura (9,62), Castela-León (11,89) ou Castela-A Mancha (12,86). E a moita máis distancia de Cataluña (14,30) ou o País Vasco (17,10). Analizando os datos dos últimos anos, vemos como o financiamento das bibliotecas públicas galegas permanece case estancado, pasando dos 8,25 euros por habitante de 2011 aos 8,54 de 2015. Mentres, a media española si experimentou un crecemento maior, dende os 7,22 euros de 2011. Bamad-Galicia, a asociación que agrupa os e as profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, valorou de forma negativa estes resultados, sinalando que "non podemos alegrarnos, xa que non nos deixan quedar en moi bo lugar con respecto á media dos datos bibliotecarios do Estado". "Levamos anos incidindo en que os recortes nos orzamentos están deixando uns servizos moi deteriorados que vai costar moito tempo recuperar", sinalou a entidade. "Levamos anos incidindo en que os recortes nos orzamentos están deixando uns servizos moi deteriorados que vai costar moito tempo recuperar", sinalou a entidade A asociación subliña outros aspectos negativos, como "a falta de control das políticas e accións levadas a cabo desde os concellos nos que nos encontramos con casuísticas, por desgraza bastantes habituais, de contratacións de persoal non especializado e/ou compartindo praza con outros postos que nada teñen a ver coa xestión da información e documentación". Tamén sinalan a existencia de "bibliotecas municipais con partidas tamén escasas ou inexistentes" ou de "locais que non cumpren os parámetros do que debería ser unha biblioteca pública". Así mesmo, critican "o atraso no desenvolmento das ferramentas de planificación, que lembramos que tiñan que ser aprobadas en 2013". Bamad-Galicia conclúe que "aínda que non somos partidarios de medidas coercitivas" a Xunta "debe mirar pola correcta xestión dos servizos bibliotecarios municipais e, desde logo, non debe premiar aqueles concellos que non cumpran coa obriga de prestar servizos de calidade". Entre os aspectos positivos, a entidade sinala as axudas ás adquisición de fondos bibliográficos, tanto para a mellora da colección como para o fomento do libro galego. E tamén o apoio á realización de actividades de animación á lectura A entidade atopa algún elementos positivos nos datos e nas políticas desenvolvidas polo Goberno galego nos últimos anos e destaca que a administración autonómica "está realizando labores que contribúen a mellorar estes datos e que, a pesar dos recortes, sen o seu apoio os datos serían aínda peores". Sinala, por exemplo, as axudas ás adquisición de fondos bibliográficos, tanto para a mellora da colección como para o fomento do libro galego. E tamén o apoio á realización de actividades de animación á lectura (Ler Conta Moito) ou "a mostra de interese na mellora das ferramentas de xestión bibliotecaria coa implementación dun novo software de xestión" e, igualmente, o interese en desenvolver ferramentas de planificación como o Mapa e os indicadores de bibliotecas". Nº de bibliotecas Documentos/hab Adquisicións/1000 hab % Poboación inscrita Préstamos/hab Visitas/hab Gasto/hab A Coruña 148 2,46 87,05 37,88 1,10 2,51 12,05 Lugo 51 2,13 47,94 23,20 0,83 1,45 6,84 Ourense 53 1,92 83,64 22,66 0,54 1,07 5,93 Pontevedra 95 1,74 58,94 29,56 0,65 1,87 5,86 Galicia 347 2,10 72,05 31,41 0,84 1,99 8,55 España 4.606 1,85 75,44 36,23 1,11 2,36 9,55 Observando os datos polo miúdo, aprécianse grandes diferenzas entre os indicadores dunhas e doutras provincias galegas. Vemos que tan só A Coruña se sitúa por riba da media na maior parte dos indicadores, mentres que as outras tres provincias fican moi por debaixo. Hai grandes fendas, igualmente, entre as zonas urbanas e vilas e os concellos pequenos e as zonas rurais. Bamad-Galicia pide "regulamentar a cooperación entre as administracións, como se recolle no espírito da Lei de Bibliotecas" Neste senso, Bamad-Galicia pon o foco na "dispersión e a perda de poboación" que -destaca- "non permiten que concellos pequenos podan prestar servizos de calidade". A entidade sinala que "é necesario regulamentar a cooperación entre as administracións, como se recolle no espírito da Lei de Bibliotecas". "Hai que prestar servizos nos que colaboren os Concellos, as Deputacións e a Xunta e hai que procurar dotar de servizos bibliotecarios a toda a cidadanía, mesmo á que non ten servizos nos seus concellos, mediante servizos de préstamo e lectura electrónica, mediante servizos móbiles... ou outros servizos que podan facilitar a difusión e uso dos recursos bibliográficos", engade. |
NOS_55930 | As vítimas do accidente do Alvia entregan unha carta a Pedro Sánchez en presenza do Rei, e critican a maneira de inaugurar a nova liña de ferrocarril (como se non pasara nada". | Oito anos despois do accidente do tren Alvia ocorrido en xullo de 2013 na liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago, as vítimas seguen a pedir xustiza e estiveron na inauguración do AVE. Afirman que é "inaceptábel" inaugurar "de forma ostentosa" a chegada do AVE á Galiza "coma se non pasara nada", após a morte de 80 persoas na curva da Grandeira, en Angrois (Compostela). "É inaceptábel que após oito anos sen a investigación técnica independente que reclama a Unión Europea para aclarar o que alí ocorreu e que non volva suceder vaian inaugurar de forma ostentosa a LAV Madrid-Galiza coma se alí non pasase nada", sinalan nunha carta que entregaron ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. A misiva entregouna en man a Sánchez e en presenza do Rei Felipe VI un dos integrantes da plataforma de afectados, Arturo Domínguez, na plataforma da estación madriñeña onde a comitiva tomou o tren con destino a Ourense. Con ela, as e os familiares das persoas falecidas e feridas no sinistro aquel día denuncian a "absoluta falta de sensibilidade e desmemoria impropias dun país serio". Advirten que "debería causar rubor ás nosas institucións e gobernantes". Ademais, lembran que levan máis de oito anos reclamando a verdade e que se depuren todo tipo de responsabilidades, "tal e como corresponde a unha democracia avanzada" e inciden en que "para iso é imprescindíbel que se realice unha investigación técnica independente" sobre o sucedido, que aínda está por xulgar. Xuízo para 2022 O xuízo, que terá lugar no primeiro trimestre de 2022, contará cos dous presuntos responsábeis de 80 homicidios por imprudencia profesional grave: o maquinista e o que fora xefe de seguridade de Adif. Porén, a única investigación oficial realizada polo Estado español, a da comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF), culpa só ao maquinista. Por este motivo, as vítimas reclamaron diante da ministra de Transportes o cesamento do presidente do organismo. |
PRAZA_15695 | As hipotecas de 1,3 millóns de familias en España (ao redor de 30 mil en Galicia) dependen dun índice opaco que na actualidade supera en dous puntos o Euríbor. O ferrolán Marcos Guerreiro levou este luns a xuízo á financeira UCI, do Banco Santander, á que acusa de cobrarlle 40 mil euros de máis. | O ferrolán Marcos Guerreiro, traballador das industrias auxiliares de Navantia -actualmente parado-, asinou no ano 2006 unha hipoteca coa entidade financeira Unión de Créditos Inmobiliarios (UCI) -filial do Banco Santander- por un valor de 116.000 euros. Os intereses da súa hipoteca fixáronse en base ao Índice de Referencia de Préstamos Hipotecarios (IRPH), xa que na entidade lle aseguraron que sería máis favorable e estable. A realidade é que este índice se sitúa moi por riba do Euríbor, o que levou a que nove anos despois da sinatura da hipoteca e tras pagar máis de 40 mil euros, hoxe Marcos Guerreiro lle deba á entidade os mesmos 116 mil euros do comezo. Calcúlase que as hipotecas de 1,3 millóns de familias en toda España dependen deste índice, que as encarece entre 100 e 300 euros ao mes. En Galicia poderían ser ao redor de 30 mil As cláusulas hipotecarias baseadas no IRPH levan anos sendo denunciadas como abusivas por numerosas entidades, entre elas a PAH. Calcúlase que as hipotecas de 1,3 millóns de familias en toda España dependen deste índice, que as encarece entre 100 e 300 euros ao mes. En Galicia poderían ser ao redor de 30 mil, sendo unha das comunidades cunha incidencia menor (10 hipotecas con IRPH por cada mil habitantes), lonxe da media estatal (28/mil) ou de Catalunya (60/mil), Comunidade Valenciana (38/mil), Baleares (36/mil) ou Andalucía (34/mil), os territorios máis afectados. O IRPH sitúase nestes momentos no 2,132%, mentres que o Euríbor rolda o 0,054% O IRPH sitúase nestes momentos no 2,132%, mentres que o Euríbor rolda o 0,054%. Por que se produce esta diferenza? En esencia, o IRPH é unha media dos tipos de interese ofrecidos polas entidades bancarias españolas nos seus préstamos hipotecarios. Un dos seus problemas é que é manipulable (depende dos datos fornecidos pola propia banca), pouco transparente e, ademais, non responde á realidade dos tipos hipotecarios. Explicado de forma simplificada, o IRPH fai media simple (non ponderada) entre todas as entidades, de xeito que se un gran banco coma o BBVA está ofrecendo o 1% e unha pequena entidade local traballa co 7%, o IRPH resultante sería do 4%, a pesar de que a inmensa maioría dos créditos estean manexando o 1%. Este luns Marcos Guerreiro levou a xuízo a UCI, acusándo a financeira de cobrar intereses abusivos, celebrándose a vista previa nos xulgados de Ferrol. Alí foi apoiado por varias entidades sociais, nomeadamente pola PAH da cidade naval e comarca, Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, e tamén por representantes políticos, coma o alcalde Jorge Suárez (Ferrol en Común), a tenente de alcalde Beatriz Sestayo (PSOE) e por outras formacións, coma o BNG. Nove anos despois da sinatura da hipoteca e tras pagar máis de 40 mil euros, hoxe Marcos Guerreiro débelle á entidade os mesmos 116 mil euros do comezo "Simplemente che poñen diante uns papeis e case non che explican nada. Eu non sabía o que era o IRPH, nin sequera sabía o que era o Euribor. O único que tiña claro era que non quería poñer un aval. Vendéronme o IRPH como algo máis estable e, en xeral, máis favorable que o Euribor", conta. "Ofrecéronme unha carencia de 5 anos, é dicir, pagar só intereses, para que así a partir do mes número 60 baixase a cota. Porén, no mes 61 en vez de baixar, subiu de 575 a 680", di. En 2011 unha das empresas nas que traballaba, Talleres Cachaza, presentou un ERE e Guerreiro pediu unha reestruturación, pasando a pagar dende entón ao redor de 300 euros ao mes. Na actualidade está aboando uns intereses do 2,81%, máis o 0,65% polo diferencial, unha taxa moi superior á que podería estar pagando se a súa hipoteca non dependese do IRPH, e que tivo como consecuencia que despois de entregar máis de 40 mil euros a súa débeda sexa a mesma que no comezo. "Vas tirando grazas á familia", recoñece. Pola vía xudicial e pola vía política "A batalla vai ser longa", asume Marcos Guerreiro: "Mesmo se o xulgado de Ferrol me dá a razón, a entidade levará o caso a outras instancias, e alí pode cambiar a cousa" "Hai dúas maneiras de acabar co IRPH" -destaca- "politicamente e xudicialmente". De momento, pola vía xudicial houbo varias vitorias, sentenzas favorables que en moitos casos declararon abusivas as cláusulas destas hipotecas. Foi en 2014 cando un xulgado de San Sebastián ditou a primeira sentenza neste senso. E posteriormente o xulgado do Mercantil de Barcelona tamén confirmou esta interpretación. Porén, moitas outras demandas foron desestimadas. En ocasións, ademais, algunhas iniciativas de afectados que si obtiveran vitorias iniciais nos xulgados locais, foron despois derrotadas nas audiencias provinciais. "A batalla vai ser longa", asume Marcos Guerreiro. "Mesmo se o xulgado de Ferrol me dá a razón, a entidade levará o caso a outras instancias, e alí pode cambiar a cousa. Cada vez que imos máis arriba na xustiza, máis politizada está", denuncia. Destaca ademais o labor de xuíces "que aínda manteñen a súa independencia", como Edmundo García no País Vasco ou Manuel Ruíz de Lara -antes en Barcelona e agora en Cádiz- "aos que non lles treme o pulso ante os poderosos", di. "Hai, así mesmo, moitas demandas que xa non se presentan, porque os avogados non ofrecen garantías de que se poidan gañar os xuízos", engade. "O importante, ademais, é que este tema se coñeza. O problema é o descoñecemento. Confías nas persoas e despois pasa o que pasa. É o que sucedeu cos preferentistas. E o peor é que segue habendo moi pouca información sobre o tema e que estas cláusulas se seguen aplicando", explica. A OCU lanzou este verán unha alarma para alertar a posibles afectados polas hipotecas con IRPH que poden nin ser conscientes do seu caso. A entidade de defensa dos consumidores explicaba que se o diferencial dunha hipoteca co Euríbor supera o 2% "é moi probable" que teñas "o IRPH ou a cláusula solo". "Esta loita é unha desas que paga a pena loitar. Unha desas que se gañan nos tribunais. Porque as cláusulas hipotecarias que utilizan o IRPH son abusivas e deben ser declaradas nulas, ao igual que ocorreu coas cláusulas solo", engadía. PP, Ciudadanos, CDC e Unió votaron a favor do mantemento do IRPH, o PSOE abstívose e EH Bildu, IU, Podemos, PNV e UPyD votaron para eliminalo A outra vía é a política. Dende a PAH sublíñase que estas hipotecas son contrarias á Directiva 93/13/CEE de 1993 sobre as cláusulas abusivas nos contratos celebrados con consumidores. O propio Parlamento europeo debateuna este pasado outono. Porén, PP, Ciudadanos, CDC e Unió votaron a favor do mantemento do IRPH, o PSOE abstívose e EH Bildu, IU, Podemos, PNV e UPyD votaron para eliminalo. "Son obreiro e fillo de obreiro e o meu avó era zoqueiro. Sei que sen medo se pode conseguir calquera cousa, pódese chegar a calquera lado" "Todo isto solucionaríase de forma moi doada. Un decreto-lei abondaría para eliminar o índice IRPH entidades, ao igual que hai dous anos anularon o IRPH bancos e o IRPH caixas", sinala Marcos Guerreiro, que este luns vén de iniciar a súa batalla xudicial. "Non pido sorte, pido xustiza e verdade", di. "Son obreiro e fillo de obreiro. O meu avó era zoqueiro. E sei que sen medo se pode conseguir calquera cousa, pódese chegar a calquera lado", conclúe. |
NOS_42538 | A Audiencia Nacional áchaos culpábeis de delitos de "atentado", e de "lesións, desordes públicas e ameazas" mais non de "terrorismo". Condena a 2 dos 8 mozos a 13 anos de cárcere; a outros 2 imponlle 12 anos de prisión; 9 anos para outros tres e, por último, 2 anos para o úlimo mozo. | A Audiencia Nacional española condena os 8 mozos de Altsasu xulgados por una lea nun bar con dous garda civís e as súas compañeiras, a penas que abranguen desde os 2 até os 13 anos de prisión. Considéraos responsábeis de delitos de atentado", "lesións", "desordes públicas" ou "ameazas" mais desbota as acusacións de "delitos terroristas". Entende a sala que non ficou acreditada a "finalidade terrorista" da acción e tampouco o vencello destes 8 mozos acusados con "organizacións terroristas". A sala, iso si, aplica as agravantes de "abuso de superioridade e de odio e porque "se cometeron por motivos ideolóxicos e de animadversión á Garda Civil". O tribunal impón as penas máximas polos delitos de "lesións, desordes públicas e ameazas". 13 anos de cárcere para Oihan Arnanaz e Iñaki Abad. Jokin Unamuno e Adur Ramírez son condenados a 12 anos. Joan Ander Cob, Julen Goikoetxea e Aratz Urrizola a 9 anos de cárcere e Ainara Urkijo, dous. Aliás, impón indemnizacións de 9.200 euros por lesións ao tenente da Garda Civil, ao sarxento deben pagarlle 3.750 euros e ás súas compañeiras, 6.100 euros a cada unha. A maiores, a Audiencia Nacional fixa 45.000 euros para a noiva do tenente e 25.000 para o do sarxento por "secuelas e danos morais". |
QUEPASA_151 | Autor: PRATERÍA MENESES (MADRID) Cronoloxía: 1887. | A custodia tamén recibe o nome de ostensorio (do latín ostentare, cuxo significado é amosar).Ambos nomes aplicáronse orixinalmente a todo tipo de pezas de ourivería ou de pratería nas que se empregase vidro, cristais, etc., para permitir que os contidos distinguíranse facilmente, xa fose a Sagrada Hostia en si ou a reliquia dalgún santo. O uso moderno, en todo caso, limitou ambos termos aos vasos destinados á exposición do santísimo Sacramento. Trátase pois dun obxecto no que se expón o corpo de Cristo para a adoración dos fieis. Convén que sexa de materiais dignos, que signifiquen a veneración e adoración que se merece pola comunidade. As custodias ou ostensorios teñen a súa orixe na institución da festa chamada do Corpus a mediados do século XIII, pero o certo é que é moi raro atopalas antes do século XIV, e as súas formas non se fixaron ata ben entrado o século XV. Os primeiros inventarios medievais a miúdo permítennos formar unha idea da rápida extensión do uso das custodias. Nos inventarios do século XIII non se mencionan case nunca, pero no século XIV convertéronse nunha característica de tódalas igrexas máis grandes. A tipoloxía en forma de sol radiante da custodia ten a súa orixe na segunda metade do século XVI, adquirindo progresiva importancia ao longo dos séculos XVII e XVIII, debido a que a súa traza e tamaño convértena en máis funcional e menos custosa que as grandes custodias procesionais. Estruturalmente a custodia da Fundación é unha peza que conta cunha base artística apoiada en 4 patas en forma de garra. Sobre esta base, un anxo fai de soporte dun viril, rodeado dun sol radiante, no interior do cal colócase visiblemente a Sagrada Forma. O viril aparece rodeado de cabezas de anxos e rematado nunha cruz. Foi mercada no ano 1887 para a capela do Instituto da Fundación, capela na que repousan os restos de Fernando Blanco de Lema. Leoncio Meneses A Pratería Meneses foi fundada por Leoncio Meneses Alonso (Villamuriel de Cerrato - Palencia, 1816 - Madrid, 1884). Os seus primeiros contactos co mundo da ourivería proceden da súa estancia en Xibraltar, onde tivo que refuxiarse logo de acompañar ao Xeneral Espartero ata o Puerto de Santa María (Cádiz), onde este último embarcou con destino ao seu exilio en Inglaterra, tralo fin da súa rexencia. Logo do desterro volta a Madrid reclamado polo artífice italiano Marcos Lattis para dirixir o seu obradoiro. Cando morre Lattis, Meneses queda ao fronte do seu taller, e abre unha serie de negocios de ourivería na capital. Enviou aos seus fillos varóns a estudar á Escola de Artes e Oficios de París, e de regreso a Madrid continúan co negocio de seu pai, abrindo máis tendas e fábricas. A fabricación durante todos estes anos esténdese á ourivería relixiosa e á pratería destinada a obxectos de mesa e elementos para hoteis. Distínguense dúas fases; unha inicial na que era tanto ou máis importante a fabricación de ourivería relixiosa, e unha segunda na que pasa a ser máis importante a pratería, gañando importancia os seus produtos para mesa e decoración, chegando a ser nomeado provedor, dourador e prateador da Casa Real no ano 1856. Na actualidade, os descendentes do fundador de Pratería Meneses continúan coa tradición familiar que se iniciou na década de 1840. Darío Areas, Secretario da Fundación Fernando Blanco. OUTROS TESOUROS DA FUNDACIóN Cristo Crucificado (óleo). Monumento dedicado a Fernando Blanco de Lema. Gramófono. Modelo Locomotora de Crampton. Telégrafo de Morse. Cámara escura fotográfica. Placa conmemorativa dedicada a Vicente Vázquez Queipo. Máquina de escribir Underwood Nº5 . Esquema orográfico e hidrográfico de Galicia. Fonógrafo de Edison Estación Telefónica Interurbana (O primeiro teléfono de Cee). Óleo de Fernando Blanco de Lema. |
NOS_47473 | Rexistráronse incrementos en todas as áreas sanitarias, agás na da Coruña e Cee, onde se mantén a cifra, en na de Lugo-A Mariña-Monforte, onde baixa. | Os contaxios da Covid-19 detectados na Galiza volveron subir nas últimas 24 horas, en que se detectaron 355 positivos confirmados por PCR, nove máis que na xornada anterior. De todos eles, a área de Ourense acumula 97, o que tamén supón un repunte de 16. Ademais, segundo os datos actualizados na web da Consellaría de Sanidade na mañá deste sábado, 17 de outubro, con datos recollidos até as 18 horas da sexta feira, as novas infeccións por coronavirus rexistraron subas nas áreas sanitarias de Vigo, até os 68 (2); na de Santiago e Barbanza, a 62 (2); en Pontevedra e O Salnés, con 39 (8); e en Ferrol, até os 19 (9). Mentres tanto, na área da Coruña e Cee as PCR positivas en 24 horas mantéñense en 57 e baixa a incidencia na de Lugo-A Mariña-Monforte, que detectou 20 positivos, 10 menos que un día antes. En canto ás altas, nas últimas 24 horas curáronse 290 persoas da Covid no país, o que sitúa o total desde o principio da pandemia en 23.078. Ademais, até o momento faleceron 815 persoas diagnosticadas de coronavirus, tras as sete novas vítimas notificadas na tarde da sexta. Así, os casos activos ─persoas que aínda padecen a enfermidade─ repuntou en 65, até se situar nos 4.745 este sábado, dado que se rexistraron máis contaxios que altas en 24 horas. De feito, subiron en todas as áreas sanitarias, agás na de Lugo. En concreto, a de Ourense continúa como a que contabiliza un maior número de pacientes, cun total de 1.610, tras un ascenso de nove. Tamén soben os casos activos na da Coruña, a 807 ─23 máis─, en Santiago, 686 ─26 máis─, en Vigo, 632 ─40 máis─, en Pontevedra, 416 ─15 máis─, e en Ferrol, 169 ─dúas máis─. A única área sanitaria en que caen as persoas coa Covid-19 activa é a de Lugo-A Mariña-Monforte, onde os pacientes baixaron en 50 e o total colócase en 425. Probas PCR Así mesmo, a web de Sanidade reflicte que até a data se realizaron 579.828 probas PCR, o que significa que nas últimas 24 horas se fixeron 7.138, máis que un día antes. Así, a porcentaxe de positivos na Galiza se sitúa este sábado en 5,6%, lixeiramente por riba do 5,2% da sexta. A área sanitaria en que a positividade das PCR é máis alta continúa a ser Ourense, con 9,1%. Séguena as de Vigo, con 6,8%; Pontevedra-O Salnés, con 6,5%; e Lugo-A Mariña-Monforte, con 5,9%. O resto están por baixo do limiar de 5%. |
PRAZA_1770 | A XXXI Feira do Bonito de Burela terá lugar o sábado 1 de agosto, organizada pola Sociedade Cultural Ledicia coa colaboración do Concello. En 2014, 20 anos despois da chamada Guerra do Bonito, descargáronse neste porto máis de 2.200 toneladas do príncipe azul | Hai dúas décadas, en 1994, as xentes de Burela protagonizaron a Guerra do bonito, unha batalla, vivida na localidade como unha epopea, contra o emprego de artes ilegais como a volanta. A loita rematou en vitoria e hoxe o bonito vive un momento doce, dado que a súa importancia económica medra ano tras ano. En 2014 descargáronse no porto galego máis de 2.200 toneladas do príncipe azul, cunha facturación de case que oito millóns de euros. En Burela amarran máis de trescentos barcos, converténdose no porto boniteiro máis importante do mundo. Hoxe o bonito soa a paz e a festa. O pasado ano Adrián Canoura e Breixo Llano, ex alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo, realizaron o documental Escamas, sangue sobre a loita que enfrontou en 1994 as frotas artesanais e as frotas industriais. Como sinala un dos mariñeiros entrevistados para o documental: "Burela naceu do mar e Burela é mar". Unha importancia que outro dos protagonistas do filme exemplifica afirmando que "Burela ten as súas rúas asfaltadas con escamas e sangue de bonito, e por iso todo o mundo era moi sensible con este tema, porque o bonito deulle moito pan a esta vila e axudou a formala". A importancia económica e social do bonito para Burela foi analizada por Ramón Mariño nesta estupenda reportaxe que publicamos en Praza hai un par de anos: "A difícil supervivencia da pesca do bonito". A loita rematou en vitoria e hoxe o bonito vive un momento doce, dado que a súa importancia económica medra ano tras ano. En 2014 descargáronse no porto galego máis de duas mil duascentas toneladas do príncipe azul A XXXI Feira do Bonito de Burela terá lugar o sábado 1 de agosto, organizada pola Sociedade Cultural Ledicia coa colaboración do Concello de Burela. Paralelamente, entre o 31 de xullo e o 2 de agosto celebrarase na nave de redes a feira de produtos artesanais e ecolóxicos Produart, que chega á súa décimo terceira edición, e na que se agardan máis de 70 expositores. Outras cifras tamén falan por si soas: Consumiranse 2.800 quilos de bonito asado, en empanada e cocido, a un prezo de 8 euros por ración. Á feira sumaranse as propostas gastronómicas dos restaurantes da localidade entre o 31 de xullo e o 2 de agosto, que terán o bonito e as súas distintas receitas como protagonistas. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, presentou os dous eventos como unha maneira de impulsar un sector clave na economía burelense: "paralelamente celebramos os dous acontecementos, que son moi importantes para Burela, Produart coa Feira do Bonito e a Feira do Bonito con Produart. A Feira do Bonito representa perfectamente o que é o noso municipio. A pesca do bonito é algo tradicional que se fixo sempre, houbo costeiras extraordinarias dende hai moito tempo, o bonito é un peixe de referencia en Burela. Estamos dando produto a toda España, pescado da mellor maneira posible, artesanalmente, tal e como vimos facendo dende sempre, o que dá unha garantía, calidade e perfección no produto extraordinaria". Á feira sumaranse as propostas gastronómicas dos restaurantes da localidade entre o 31 de xullo de o 2 de agosto, que terán o bonito e as súas distintas receitas como protagonistas O rexedor afirmou que "tratamos de promover, dar a coñecer e degustar o bonito a toda a xente que queira achegarse a Burela o 1 de agosto, coa intención de que saian contentos, de que coñezan as diferentes formas de preparar o príncipe azul. Nesta edición non soamente imos repartir bonito en bandexa a través da asociación Ledicia o día 1, senón que todos os restaurantes están de acordo en preparar diferentes receitas de bonito durante o venres, o sábado e incluso o domingo". "Isto é importante para a nosa economía, para dicirlle á xente que a nosa economía depende moito do produto que se está pescando, do bonito", engadiu. Produart 2015 Produart ocupará unha superficie de 2.000 metros cadrados, con preto de expositores Con respecto a Produart, que ocupará unha superficie de 2.000 metros cadrados, o alcalde subliñou a calidade dos expositores, preto de 70, que se darán cita nesta décimo terceira edición: "trátase de expoñer produtos que sexan bos para a saúde, bos de producir, sostibles para o medio ambiente. Vai haber produtos ecolóxicos de diferentes fórmulas alimentarias, pero tamén haberá artesanía e produtos para empregar tanto na vivenda como en xardíns, todo considerado medioambientalmente sostible. É unha forma de dar a coñecer artigos que son respectuosos co medio ambiente e que encima aforran enerxía e abaratan o recibo da luz todos os meses". En Produart haberá queixos, viños, doces, embutidos, comercio xusto, aceites, algas, conservas, cremas e xabóns, coiro, prata, cerámica, teares, roupa ecolóxica, etc… así como enerxías alternativas. |
NOS_32070 | Demandan de Xunta e Concello compromisos efectivos para combater o crecente empobrecemento e garantir o dereito a unha vivenda. | A política social é unha das principais materias pendentes na cidade de Vigo. Éo desde hai anos. Os significativos retrocesos impostos neste ámbito polo Goberno municipal de Abel Caballero, provocaron que a cidade olívica teña uns servizos sociais municipais saturados por falla de persoal, con manifesta incapacidade para dar resposta ao crecente empobrecemento e a problemas urxentes como os desafiuzamentos que Caballero nega que existan. Abel Caballero négase a recibir os colectivos sociais que acampan ás portas do Concello desde hai 203 días Desta maneira, a tramitación dunha RISGA demora máis de oito meses, e o chamado "cheque social" municipal supón achegas de contías manifestamente insuficientes e exclúe a un importante número de solicitantes cada ano. A falla de cooperación entre Xunta, que é quen ten competencia en materia de política social, e mais o Concello, ten provocado que nin unha nin outra administración atendan debidamente a situación que numerosos colectivos sociais, sindicatos e partidos da oposición cualifican de "emerxencia social". Así o vén denunciando unha acampada reivindicativa instalada na praza do Concello desde hai 203 días sen teren inda sido recibidas polo alcalde. A única atención municipal a este protesto ininterrompido ten sido o recente feche do seu perímetro con valados por parte da policía municipal. Diante desta situación, os movementos sociais da cidade conformaron un espazo de coordenación aberto e informal, do que fan parte, entre outros, representantes da acampada ou a Federación de Asociacións Veciñais de Vigo "Eduardo Chao", para uniren forzas co pretenso de pasar á ofensiva. Con esa intención veñen de facer pública unha dupla táboa reivindicativa, dirixida aos gobernos galego e municipal, coa que reclaman medidas concretas para combater de maneira efectiva a pobreza e o empobrecemento na principal cidade de Galiza. Para tomar impulso nesa reivindicación, o próximo 15 de setembro realizarán unha "acampada popular" diante do Concello na que chaman a participar a toda a veciñanza. Pobreza Unha das principais demandas é a posta en marcha dun plan municipal de emerxencia contra a pobreza, que inclúa entre outras medidas a elaboración dun censo das persoas sen teito, nunha cidade na que as organizacións sociais estiman que hai arredor de 300 persoas que dormen na rúa. Para as atender apostan por unha cobertura dupla, coa posta en marcha dun centro de inclusión social para as persoas que se poidan valer por si propias, e coa reforma e ampliación do actual albergue municipal no que piden que se eliminen a restricións temporais de estancia entrementres a persoa beneficiaria non reciba algunha axuda social. Vivenda Para alén desa atención inmediata ás persoas sen fogar, apostan tamén pola creación dun parque municipal de vivendas de emerxencia que brinde aloxamento temporal ás familias desafiuzadas. Aliás, unha das principais reivindicacións é que o Concello de Vigo se incorpore con carácter inmediato ao programa de vivendas baleiras da Xunta de Galiza. Para iso suxiren a fórmula dun convenio ad hoc, como o subscrito por parte do Concello de Ourense, mais con algunhas melloras. Exixen da Xunta que coa colaboración do Concello ou sen ela poña en marcha un programa de vivendas na cidade Co obxecto de atender de maneira áxil as situacións de risco de desafiuzamento e que no caso de este se producir as familias non fiquen desamparadas, propoñen o estabelecemento dun protocolo que paute a comunicación e defina as vías de cooperación entre os colectivos sociais que atenden as persoas afectadas, o Concello e mais a Xunta. Buscan, desta maneira, sistematizar e facer oficial mecanismos que xa se están a aplicar con carácter discrecional para que estes non dependan "só da boa vontade de quen nese momento se atope na institución", segundo explican. Diante da posibilidade, moi probábel, de que Concello e Xunta non aproximen posicións e a cidade continúe excluída do programa autonómico de vivendas baleiras, os colectivos sociais demandan de maneira directa ao goberno galego que busque unha alternativa para despregar un programa de vivenda social en Vigo. "É a Xunta a que ten a maior parte das competencias en política social, e non pode permitir que os impedimentos que poñan as administracións municipais repercutan na calidade de vida dos galegos e galegas", advirten no escrito que dirixen ao delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López Chaves. Demandan tamén a implicación da Xunta no reforzamento dos servizos sociais, dotándoos de máis persoal, a oferta de vivendas de emerxencia dentro do termo municipal de Vigo e a mellora das condicións que rexen o "bono aluguer" para que se poidan beneficiar máis familias. |
NOS_4930 | Estase a celebrar estes días, do 5 ao 7, en La Habana a Conferencia Internacional "Nuevos escenarios de la comunicación política en el ámbito digital 2015". [Vídeo en directo no interior] | O acontecemento conta coa presenza de expertos e delegados oficiais de máis de 30 países de todos os continentes e ten como marco o proceso de revisión dos 10 anos do Cume Mundial da Información e, segundo a organización, a cita quer propiciar un debate sobre temas fulcrais a nivel global, como o desenvolvemento e uso das tecnoloxías da información e a comunicación ao tempo que avalía o impacto destas nas relacións internacionais, a ciberseguridade a gobernanza de internet ou a soberanía tecnolóxica das nacións. Son eses temas e ideas, precisamente os que xa antecipara Raúl Castro no seu discurso na reunión da Cimeira das Américas cando dixo: "Non pode aceptarse que menos dunha decena de emporios, principalmente norteamericanos -catro ou cinco de sete ou oito-, determinen o que se le, ve ou escoita no planeta. Internet debe ter unha gobernanza internacional, democrática e participativa, en especial na xeración de contidos. É inaceptable a militarización do ciberespazo e o emprego encuberto e ilegal de sistemas informáticos para agredir a outros Estados." Ao evento asisten representacións oficiais de Arxentina, Angola, Bahamas, Bolivia, China, Perú, Djibouti, Ecuador, Haití, México, Mozambique, Nicaragua, Panamá, República Dominicana, Rusia, Uruguai, Venezuela e Zambia, así como representantes da Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento e da Unión Internacional de Telecomunicacións, que participan no segmento oficial da Conferencia e conta ademais con expertos de Brasil, España, Canadá, China, O Salvador, Guinea Ecuatorial, Estados Unidos, Hungría, Italia, Xamaica, Xapón, India, Palestina, Perú, Vietnam, Siria, Zambia. A xeración de contidos "Non pode aceptarse que menos dunha decena de emporios, principalmente norteamericanos, determinen o que se le, ve ou escoita no planeta", asegurou Raúl Castro na Cimeira das Américas Un dos debates máis interesantes xerouse en torno á necesidade de modificar un dos elementos que máis lastra o proceso comunicativo en Internet, como é a carencia de políticas dirixidas a producir contidos, para que no uso diario, por exemplo das redes sociais, non sexamos simples reprodutores dos contidos doutros e non vaiamos alén de dar "gústame" a un contido en Facebook ou rechiar o que outros publican en Twitter. Con respecto a iso o blogueiro, Iroel Sánchez, destacou o proxecto de biblioteca colaborativa, Ecured, como unha boa proposta cubana na xeración de contidos. Ecured é un dos sitios máis consultados hoxe, non soamente en Cuba, que co empeño do seu grupo de traballo e a colaboración de moitos se logrou un espazo de contidos contrahexemónicos. Sánchez chamou a crear novos métodos nese sentido para enfrontar un mundo inxusto e desigual onde se asentou un pensamento neoliberal sobre Internet que busca imporse baixo a lei da selva. A quen lle interesa que non haxa normas sobre Internet?, pergunta Iroel Sánchez, precisamente aos que teñen o diñeiro e a hexemonía para impor os seus contidos e dominios e se empeñan en que non fan falta infraestruturas tecnolóxicas rexionais. Para o autor do blog A Pupila Insomne, é esencial concibir proxectos non comerciais para se enfrontar a un dos maiores desafíos no tema dos contidos, como é que a maioría non teñen relación co territorio en que van ser consumidos. Neste sentido cita os propios textos escolares, contratados en moitas ocasións a países europeos, como España, para que os produzan para os latinoamericanos cando a realidade, o contexto e as necesidades son ben distintos. A Conferencia desenvólvese en Cuba e non ten moita repercusión nestes eidos, mais tamén na Galiza deberíamos dar – ou retomar- este debate, agora que se están a introducir os novos textos derivados da implantación da LOMCE. |
PRAZA_8449 | Acerta. Non son máis que fotos. Pero a fotografía, que comezou como un oficio artesanal hai máis de cento cincuenta anos, converteuse nun dos medios principais para documentar a nosa vida colectiva a persoal. | "Son lo que son: simplemente unas fotos". Así se explicou Núñez Feijóo hai uns días cando foron publicadas unha imaxes de 1995 nas que aparece fotografiado, en diversos momentos e situacións, á beira de Marcial Dorado, famoso delincuente que agora cumpre condena por narcotráfico. Acerta. Non son máis que fotos. Pero a fotografía, que comezou como un oficio artesanal hai máis de cento cincuenta anos, converteuse nun dos medios principais para documentar a nosa vida colectiva a persoal. A historia de España no século XX está relatada nas imaxes captadas por Publio López Mondéjar. As fotografías de Manuel Ferrol e Virxilio Vieitez reflicten con fidelidade a historia recente de Galicia. Aí están, fixadas para sempre, as vidas dos nosos pais e os nosos avós. Non sería doado comprender o drama da emigración sen as imaxes que eles souberon capturar. Podemos facer un relato das nosas vidas a través desas imaxes: o grupo familiar, as amizades, as viaxes, as celebracións. Se cadra hai algunha imaxe á que nos gustaría renunciar, mais xa non é posible As fotos persoais teñen tamén un grande valor documental. Agora, coas cámaras dixitais e os móbiles, é moi doado deixarse retratar. Pero ata hai ben pouco a xente só facía fotos nos momentos importantes da vida: nos bautizos, nas vodas, nas festas familiares. Había que capturar o instante e fixalo para sempre. Podemos facer un relato das nosas vidas a través desas imaxes: o grupo familiar, as amizades, as viaxes, as celebracións. Se cadra hai algunha imaxe á que nos gustaría renunciar, mais xa non é posible. En política é moi importante a imaxe. Os asesores aconsellan aos líderes para que ofrezan sempre o mellor perfil. As aparicións públicas son preparadas como unha montaxe teatral. Mais, con todo, tamén se pode construír o relato dunha traxectoria pública a través das fotografías. Debuxan con bastante exactitude a forma de actuar, a maneira de entender a vida e o exercicio da política. Podemos facer un exercicio práctico con cinco fotografías de Alberto Núñez Feijóo, actual presidente da Xunta. Núñez Feijóo quería un posto de traballo público entrando pola porta de atrás (sen facer oposicións) e coas mesmas condicións que os traballadores fixos 1.Interino. En 1988, tres anos despois de comezar a traballar como interino na Xunta, presentouse ás eleccións sindicais por Afica (Agrupación de funcionarios interinos e contratados administrativos). Foi delegado sindical ata o ano 1991, cando comezou a súa carreira política, apoiado por Romay Beccaría, que o nomeou secretario xeral da Consellería de Agricultura. Aquel mozo sindicalista de 27 anos (que aparece nunha foto da época con Carlos Negreira e outros compañeiros) organizou folgas e protestas para reclamar "o acceso á función pública de todos os funcionarios interinos e contratados administrativos, asegurando en todo caso a estabilidade no posto de traballo". En resumo, como xa dixemos noutra ocasión , Núñez Feijóo quería un posto de traballo público entrando pola porta de atrás (sen facer oposicións) e coas mesmas condicións que os traballadores fixos. Agora, lonxe dos seus tempos reivindicativos, utiliza o poder como presidente da Xunta para aplicar severos recortes na sanidade, na educación e nos servizos sociais, para reducir os salarios e precarizar as condicións de traballo dos funcionarios ao tempo que fomenta o desprestixio dos servizos públicos. Cando se fixeron estas fotos, que agora saen á luz, as nais de Arousa levaban anos loitando contra os delincuentes que vendían a droga que mataba aos seus fillos. Núñez Feijóo, con altas responsabilidades en Sanidade, facía viaxes de lecer cun deles 2. Viaxes e festas. En 1995, cando xa era o número dous da Consellería de Sanidade, deixouse fotografar, en amistosa compañía, a bordo do iate Oratus, propiedade de Marcial Dorado, un coñecido contrabandista que levaba un tren de vida moi por enriba das posibilidades dos seus veciños honrados. O barco foi intervido en 2009 por Aduanas, despois dunha operación por branqueo de diñeiro, e o seu propietario está no cárcere. Segundo a prensa tamén viaxaron xuntos a Cascais, a Ibiza e a un lugar onde había neve ("Creo que no fui a Andorra; creo que no, lo que sé es que había nieve, parece ser que eran los Picos de Europa", dixo en público). Parece ser que tamén participou en festas no chalé do traficante. Agora xa non viaxan xuntos. Agora o presidente da Xunta vai con frecuencia a Salvador de Bahía (Brasil) onde, segundo afirma, pensa retirarse cando se xubile. Cando se fixeron estas fotos, que agora saen á luz, as nais de Arousa levaban anos loitando contra os delincuentes que vendían a droga que mataba aos seus fillos. Núñez Feijóo, con altas responsabilidades en Sanidade, facía viaxes de lecer cun deles. 3. Os incendios. No verán de 2006 déronse en Galicia unhas condicións extremas de calor e vento que provocaron unha tremenda onda de incendios. O conselleiro Suárez Canal, acabado de chegar ao posto, pasou moitas noites sen durmir. As brigadas traballaron incansábeis para combater o lume, que saltaba dun lugar noutro como se non fose rematar nunca. Moita xente veu chegar as lapas á beira das súas casas. Vivíronse momentos de angustia. Núñez Feijóo, que daquela estaba na oposición, fixo unha foto na que aparecía, de branco inmaculado, agarrado a unha mangueiriña, simulando atallar o lume. Durante o seu mandato a política forestal non mellorou e recibiu numerosas críticas dos traballadores, dos grupos ecoloxistas e da oposición. En 2010 houbo outra extensa onda de incendios. A Xunta optou pola ocultación de datos e só informaba dos lumes de grandes dimensións, pero non puido ocultar a morte de dous homes nun incendio en Fornelos. Hai un ano houbo un pavoroso incendio nas fragas do Eume e os expertos sinalaron que era consecuencia da falta de planificación da política forestal. Un ano despois nada mudou: as fragas seguen expostas ao mesmo risco de arder. A Xunta ten, polo momento, un grande aliado: a chuvia que non cesa desde hai sete meses. Mais cando veñan a calor e o vento non vai chegar a nada a mangueira. Hai un ano houbo un pavoroso incendio nas fragas do Eume e os expertos sinalaron que era consecuencia da falta de planificación da política forestal 4. No Vaticano. A primeiros de 2010 Núñez Feijóo visitou ao Papa de Roma. Foi acompañado polo arcebispo de Santiago e pola súa suposta compañeira sentimental, a xornalista Carmen Chiny Gámir. O visitante deixou facer numerosas fotografías do momento. En moitas delas aparece Chiny cunha cruz sobre o peito. Na actualidade xa non hai tal relación; a parella rompeu e ela vive en Madrid, onde exerce como xefa de prensa da secretaria de Estado de Presupostos (Marta Fernández Currás, antes Conselleira de Facenda en Galicia). Neste tempo en que resulta tan difícil atopar traballo non deixa de sorprender que haxa persoas que o consigan con tanta facilidade. 5. Banqueiros. A mediados de 2010 Núñez Feijóo promoveu reunións e encontros cos principais dirixentes das Caixas galegas. Gayoso e Méndez, máximos dirixentes de Caixanova e Caixa Galicia durante décadas, accederon á petición do presidente da Xunta e iniciaron o proceso de fusión. Saíron nas portadas dos xornais co sorriso nos beizos. Todos sabemos o que pasou despois. Novacaixagalicia transformouse en banco, que tivo que ser rescatado con diñeiro público. Galicia quedou sen Caixas de Aforros e sen a súa obra social, os responsables do desastre deixaron os cargos con indemnización multimillonarias, e milleiros de persoas estafadas polo fraude masivo das participacións preferentes recorren Galicia e perden a paciencia reclamando xustiza. O fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, considera que este é o maior fraude da historia de Galicia e que a grande maioría dos afectados foron enganados polas entidades comercializadoras. Mais agora o presidente non ten tempo para recibir aos afectados. |
NOS_5752 | Damián Insua (Bordel, Abegondo, 1993), investigador do Grupo de Física Non Lineal da USC e especialista en meteoroloxía, esclarece para 'Nós Diario' a xénese da "megavaga" de calor que está a vivir a Galiza e as consecuencias que eventos extremos coma este, intensos e duradeiros, poden deixar no territorio. | —Que explica esta vaga de calor que está a afectar a Galiza con marcas históricas?Este episodio de altas temperaturas ven ocasionado por un patrón atmosférico que chamamos de bloqueo, porque persiste durante varios días. Temos unha dorsal anticiclónica sobre a Península, que bloquea unha depresión illada en altura (DANA) situada ao leste dos Azores. O anticiclón aporta ceos pouco nubrados e mantén o aire quente confinado. Pola súa parte a depresión en altura achega un plus de calor, que transporta dende zonas subtropicais. Esta combinación é a que causa estas temperaturas extraordinarias. Unha vez que a DANA se mova cara ao nordeste irá desprazando o aire cálido cara outros países como Reino Unido, Bélxica ou Alemaña. Espéranse temperaturas por riba dos 35ºC nestes lugares menos acostumados á calor. —Non se acorda un episodio con valores continuos tan altos.O máis destacado desta vaga de calor seguramente sexa a persistencia. Na Galiza comezou a fin de semana pasada e non rematará até oeste domingo. Noutros lugares prolongarase aínda máis, até ben entrada a próxima semana. Ourense pulveriza a marca da terza feira e alcanza os 44 graos —Que diferenza esta vaga de calor doutras previas que tamén anotaron rexistros máximos?Estamos ante un episodio que, ademais de duradeiro está a ser moi intenso. Están a caer varios récords históricos de temperatura nalgúns observatorios, como o de Ourense. O valor máis alto rexistrado até o momento recolleuse na cidade das Burgas, que a quinta feira superou o récord da terza o alcanzar os 44ºC. A estación meteorolóxica que mediu ese valor (AEMET), nunca anotara unha temperatura tan elevada dende que se instalou en 1972. Pero tamén destacan as mínimas alcanzadas de madrugada, como os 35ºC que se rexistraron en Lira. Por último, a área afectada por esta onda tamén marca unha diferenza coas anteriores. É moi considerábel. Este tipo de episodios de altas temperaturas, tan intensos, extensos e persistentes denomínanse megavagas de calor. —É cedo para sacar algunha conclusión sobre o impacto deste fenómeno de forma illada mais tamén nun contexto de cambio climático global?Numerosos estudos de atribución ao cambio climático indican que o quecemento global antropoxénico está aumentando o risco de ocorrencia deste tipo de eventos. Non podemos dicir que esta vaga de calor en particular sexa culpa do cambio climático, pero si que podemos asegurar que o cambio climático fai que este tipo de episodios sexan máis frecuentes e intensos. O clima, na Galiza, comeza o ano certificando un cambio de tendencia —E iso ten unhas consecuencias para as persoas e a súa contorna. Que impacto terán estes fenómenos extremos nos recursos e nas persoas da Galiza?O problema da Galiza é que nos próximos anos non só se espera que as vagas de calor se intensifiquen, tamén se espera unha redución das precipitacións, debido a un reforzamento do anticiclón dos Azores. Polo momento é unha tendencia que aínda non se ve nas observacións, pero todos os modelos climáticos apuntan un futuro máis seco para a Galiza. A combinación de temperaturas máis altas con menos precipitación intensificará a evapotranspiración, reducindo así a humidade do solo. Isto fará que aumenten as secas, incluídas as de tipo agrícola. Polo tanto, a Galiza necesitará adaptarse a este novo escenario, mellorando o manexo do uso da auga e probablemente mudando algún tipo de cultivo. Ademais, o aumento das temperaturas e da seca fará que o risco de incendios sexa cada vez maior e que a temporada de lumes se estenda cada vez máis. A calor seguirá a ser a protagonista Os modelos cos que se fan as proxeccións climáticas para o futuro teñen "certo grao de incerteza", aclara Damián Insua. "Pero tamén nos achegan moitas certezas. É como se tiramos unha pequena pelota por unhas escaleiras; non podemos predicir cada un dos botes que vai a ir dando a pelota, pero sabemos seguro que a pelota vai caer, non vai volver para riba". Non se sabe seguro como o cambio climático afectará a algúns fenómenos determinados, como por exemplo as cicloxéneses explosivas, pero sábese seguro que a temperatura vai seguir aumentando e isto reflectirase "nunha intensificación de episodios de calor coma o que estamos a vivir". Dominic Royé, doutor en Bioclimatoloxía: "A carencia de auga vai facer que vire en ouro" A medio prazo, os modelos indican que a calor seguirá a ser protagonista no que queda de verán. "É o escenario máis probábel, o que non quita que teñamos algún día fresco ou incluso con chuvias pero en xeral debería ser un bo verán". |
NOS_39002 | O ex-secretario xeral de CCOO-Galiza e membro da coordinadora de Iniciativa pola Unión recoñece ser optimista cara á confluencia para as xerais. "Ao Encontro por unha marea galega propuxémoslle matrimonio", comenta retranqueiro, "se non aceptan, podemos ser bos amigos e actuar como tal: pulando na mesma dirección". | - Á vista das últimas novas relativas a acordos ou pre-acordos entre algunhas forzas políticas ás portas das Xerais, está todo o peixe vendido? - Nin moito menos. Creo que nas forzas de esquerda de Galiza hai sentido común e por iso a aposta é na candidatura unitaria galega sen exclusións. Non ten sentido ningún deixar fóra a forzas como o BNG, desde logo. E eu creo que estamos a ponto de conseguir esa candidatura unitaria. Desde Iniciativa pola Unión imos presionar democraticamente con toda a nosa ilusión e forza para conseguilo: unha candidatura unitaria galega que logre ese grupo parlamentar que colabore con outras forzas para acadar un gran cambio no Estado. - Vese que ten confianza en que vai haber unha candidatura unitaria galega. Cales son as razóns desa confianza? - Entre as forzas de esquerda, e á marxe de que unhas sexan nacionalistas e outras non, debería ser fácil poñerse de acordo nun programa en común pensado para a maioría social e para este país. Creo que poñerse de acordo debería ser relativamente sinxelo. Hai moito interese por parte de certos poderes políticos, económicos e mediáticos en que non se logre un acordo e non haxa esa candidatura. Eses poderes, precisamente, saben ben a forza dunha candidatura unitaria galega. Por iso me molesta que desde a esquerda en Galiza, sabendo isto, non se estea a facer toda a forza posíbel por centrarnos no importante, na nosa unidade. "Nós xa propuxemos matrimonio ao Encontro, mais se non queren, non pasa nada, podemos ser moi bos amigos e actuar como tales, pulando na mesma dirección" - É optimista sobre o final do proceso, logo - Un sindicalista ten que ser optimista (ri). Non pode presentarse un perante unha asemblea de traballadores cunha actitude de derrotismo! Si, son optimista. Este domingo hai convocado un gran encontro en Compostela para que participe todo aquel que aposte nesa unidade, desde organizacións políticas a movementos sociais, colectivos ou persoas individuais. É un encontro aberto e desde Iniciativa facemos un chamamento a que asistan todos os interesados. Tamén vai estar o Encontro por unha marea galega. Temos que ter claro que a unidade popular é unha demanda da maioría da cidadanía e ninguén está lexitimado para, por cuestións menores, impedir que calle esa unidade. Tamén penso que as dúas plataformas existentes [Iniciativa pola Unión e Encontro cidadán por unha marea galega] deberiamos unirnos nunha soa. Nós xa propuxemos, por dicilo así, matrimonio ao Encontro (ri), mais se non queren casar, non pasa nada, podemos ser moi bos amigos e actuar como tales, pulando na mesma dirección. - Moita xente non acaba de entender que haxa 2 iniciativas pedindo practicamente o mesmo e que non acaben por confluír. Non é o mellor escenario desde o que demandar unha candidatura unitaria... - Hai uns días acudimos a un debate en Guitiriz representantes de Iniciativa e do Encontro e a xente reprochábanos precisamente iso, non entendía que non houbese esa unidade. Preguntábanos por que non confluíamos se estabamos a defender o mesmo. Hai voces que veñen dicir, creo que interesadamente, que nós (Iniciativa pola Unión) vimos sendo pouco menos que unha correa de transmisión do BNG (ri). E diso nada de nada, somos persoas que actuamos en base ao noso criterio, libremente, e o Encontro cidadá fai o mesmo. Non estamos aquí, nestas plataformas, para actuar por criterios partidistas. "Ter un grupo parlamentar galego e soberano non é para nada incompatíbel con pular por un cambio de réxime, todo o contrario, favorece ese cambio!" - Tanto Iniciativa no manifesto como o Encontro nos seus estatutos falan dun grupo parlamentar galego. Mais hai sectores que consideran que para unha candidatura unitaria o grupo parlamentar non é o importante, senón que o importante é sumar para o cambio de réxime.. - Ter un grupo parlamentar galego e soberano non é para nada incompatíbel con pular por un cambio de réxime, todo o contrario, favorece ese cambio! A ver, que eu son de IU, do PCG, non son nacionalista, sitúome no federalismo ou confederalismo, pero ese é outro debate. Non se pode pedir a un nacionalista que a candidatura galega acabe integrándose no Congreso nun grupo parlamentar estatal, por exemplo o de IU. O grupo parlamentar galego é o espazo, o punto de encontro para esa candidatura unitaria, conformada por nacionalistas e non nacionalistas. E ese grupo soberano galego no Congreso claro que non é incompatíbel con favorecer un cambio de réxime, todo o contrario, é ao revés, favorece ese cambio. Estas son as eleccións xerais máis importantes desde a Transición. Concordo plenamente con Alberto Garzón (IU) cando di que nestes comicios non nos xogamos as eleccións, senón as futuras xeracións. E si que creo que para esa cita tan importante debemos ir desde Galiza nunha candidatura unitaria galega. Se non logramos facer unha, as consecuencias van ser desastrosas entre a cidadanía máis implicada e os movementos sociais. Se non hai esa candidatura vai ser unha decepción tremenda. "Catalunya, como Galiza, debe de ter o dereito a decidir que quere facer co seu futuro como país" - Que opinión ten do que está a vivirse en Catalunya? - Catalunya, como Galiza, debe de ter o dereito a decidir que quere facer co seu futuro como país. E a cerrazón do Estado español, do PP, as súas ameazas, non son a mellor resposta a ese dereito. Estamos perante un conflito político e a solución ten que ser política. E nese debate non perdamos de vista Galiza. Onde vai ficar se hai unha reforma da Constitución e perante os cambios de modelo territorial? Que voz vai ter? |
NOS_5543 | "Non se pode obrigar a pagar á cidadanía por ler", di a deputada do BNG, Ana Pontón. | O BNG insta á Xunta a establecer unha normativa propia para que o canon por préstamo de libros non se aplique a bibliotecas públicas, entre outras razóns porque a aplicación do canon suporía unha colisión con competencias exclusivas galegas como son a regulación do fomento da lectura. En rolda de prensa, a deputada e portavoz de Cultura, Ana Pontón xunto coa responsábel de Política Municipal, Goretti Sanmartín non só rexeitaron o pago do canon por libro prestado senón que reclamaron o incremento dos fondos para compra de libros para situalo á altura dos orzamentos do ano 2009, o último que recollía a política do goberno bipartito para a promoción e difusión do libro, unha área xestionada entón polo BNG. Reclamou Ana Pontón "unha política real" de cara ás bibliotecas pública e alertou do perigo do canon en canto "limita o dereito universal de acceso á cultura", de maneira especial, para as persoas con menos recursos. O canon limitará, segundo dixeron, o dereito universal de acceso á cultura e obrigará ás bibliotecas a reducir os orzamentos destinados ao aumento de fondos polo que o BNG está a presentar mocións nos concellos ademais de iniciar unha campaña para explicar as consecuencias e mostrar a oposición social ao canon. Unha decisión que afecta de maneira especial a Galiza Galiza parte como especial afectada do decreto do Goberno do estado de impoñer o canon bibliotecario xa que, segundo os datos que puxo sobre a mesa a deputada, tirados do estudo do Consello da Cultura Galega, o índice de lectura é considerabelmente inferior á media estatal xa que só un 53,3% de persoas leron algún libro no pasado ano fronte ao 58,7% estatal. Tamén Goretti Sanmartín incidiu no feito de saír máis prexudicada a cidadanía galega xa que, segundo engadiu, tamén a propia dispersión poboacional fai que a rede de bibliotecas sexa fundamentais para o acceso e dinamización cultural. No verán, para que se sinta menos Pola súa banda, Goretti Sanmartín non dubidou en explicar o anuncio do decreto do Goberno do Estado español en período estival como unha estratexia para apagar a resposta social ao tempo que anunciaba unha campaña para protestar contra unha política que merma os dereitos da cidadanía de acceso á cultura. Referiuse á lenda "Pan e libros" que se defende en campañas e iniciativas nalgúns concellos galegos, nomeadamente o de Carballo, para sinalar que o PP sabe que "un pobo que le, é un pobo crítico e con capacidade de analizar a realidade". |
NOS_11796 | A práctica totalidade das sondaxes publicadas ao longo desta semana coinciden en situar o Partido Popular como forza política máis votada, sumando con Vox, practicamente, a maioría necesaria para gobernar. | Semana de enquisas. Se o sábado era La Voz de Galicia quen daba a coñecer un estudo electoral de Sondaxe, dous días despois o diario El Mundo facía o propio con outro traballo de Sigma Dos, recollendo esta cuarta feira o dixital El Confidencial unha sondaxe de IMOP. Ao tempo, na terza feira, os medios do grupo Henneo publicaban unha enquisa do instituto DyM, divulgándose ese mesmo día un estudo da empresa Simple Lógica. Así as cousas, a práctica totalidade das sondaxes coincidían en situar o Partido Popular como forza política máis votada, sumando con Vox, practicamente, a maioría necesaria para gobernar. A tendencia das enquisas desta semana alíñase cos traballos sociolóxicos publicados nos últimos meses. O PP aparece como forza destacada, movéndose entre un máximo de 129 escanos que lle outorga Sigma Dos e un mínimo de 108 que lle concede Simple Lógica, superando de longo as 89 actas obtidas nas eleccións de novembro de 2019. A segunda forza da dereita é Vox, situada entre 61 deputados, aproximación de Simple Lógica, e 47 en opinión de Sigma Dos. Sexa como for, a totalidade das sondaxes colocan estas dúas formas próximas á maioría absoluta e nalgúns casos por riba dela. As forzas da esquerda estatal continúan a súa caída. As diferentes enquisas deixan os socialistas moi lonxe dos 120 escanos logrados nos comicios de novembro 2020, colocándose nunha franxa de 101 a 95. Unidas Podemos tamén retrocede en relación ás 35 actas que mantén na actualidade no Congreso, movéndose segundo as sondaxes entre 33 e 25 deputados. Más País, a forza liderada por Íñigo Errejón, mellora a súa perspectiva de voto, sumando un representante máis pola circunscrición de Madrid. As nacións sen Estado resisten á dereita As nacións sen Estado son os únicos territorios en resistir o avance da dereita. Así, en Catalunya as sondaxes manteñen ERC e Junts per Catalunya na súa representación actual e prevén unha lixeira alza da CUP, que pode sumar un deputado máis. En Euskadi, Bildu conserva as súas cinco actas, avanzando unha o PNV, para sumar sete. As enquisas tamén lle dan un crecemento ao BNG na Galiza, colocándoo o estudo de IMOP para El Confidencial en tres escanos. Na mesma liña, ningún dos traballos de opinión divulgados nas últimas semanas outorgan unha maioría á dereita na Galiza, Euskadi e Catalunya, obtendo nestas dúas últimas nacións uns resultados testemuñais. As enquisas son fotos fixas de momentos concretos polo que o seu interese está nas tendencias que marcan. Neste sentido, merece relevo a posición do PP, que non só suma votos pola dereita senón que comeza a ocupar espazos do centro lindeiros co PSOE. Ao tempo, os socialistas seguen sen recuperar posicións malia as mudanzas no Goberno e no partido após o seu último Congreso. Mentres tanto, Unidas Podemos certifica certa recuperación en relación cos meses anteriores e Vox mantense, cos populares entrando cada vez de maneira máis clara no seu electorado. Por último, as forzas nacionalistas consolidan a súa presenza e semellan estar chamadas a seguir xogando un papel chave na vindeira lexislatura. A esquerda gaña na Galiza As eleccións estatais de 2019 xa colocaron as forzas de esquerda como primeira opción en intención de voto na Galiza. A enquisa de Sondaxe publicada o pasado sábado debuxaba un escenario moi semellante, co PP con 10 escanos e 33,9% dos sufraxios, co PSOE con 9 escanos e 31,3% dos sufraxios, co BNG con 2 escanos e 12,4% dos sufraxios e con Galiza en Común con 2 escanos e 10,8% dos sufraxios. A posibilidade dun resultado na liña do previsto polas sondaxes bota por terra moitos dos tópicos construídos sobre o comportamento electoral dos galegos e representa un motivo de reflexión para as forzas de oposición a Alberto Núñez Feixoo, incapaces nas últimas citas de trasladar ao escenario galego os resultados dos comicios locais ou estatais. |
PRAZA_19978 | Unhas 4.000 persoas maniféstanse pola devolución gratuíta ao Concello dos terreos portuarios e contra a especulación nunha xornada multitudinaria, festiva e reivindicativa polo espazo público para o litoral. | "Non á venda e privatización da fachada marítima. Devolución gratuíta, basta xa de especulación!". Con estas dúas proclamas, a pancarta encabezou a manifestación que no mediodía deste domingo percorreu as rúas da Coruña para demandar que todos os terreos que a Autoridade Portuaria pretende privatizar sexan cedidos gratuitamente ao Concello. Foi unha marcha marcada pola calor, o ambiente festivo e a importante participación, con arredor de 4.000 persoas que reivindicaron un proxecto para a cidade que fuxa da urbanización masiva e especulativa a pé de costa e que aproveite a ocasión para recuperar ese espazo para a cidadanía. Unhas 4.000 persoas manifestáronse contra a venda e privatización da fachada marítima e pola devolución gratuíta ao Concello dos terreos portuarios "A Coruña non se vende!" ou "Non, non, non á especulación" foron algúns dos cánticos máis escoitados durante a marcha convocada pola Comisión Aberta en Defensa do Común e apoiada por máis de 70 entidades, entre elas os principais sindicatos, todos os partidos con representación no Concello agás o PP e o propio goberno municipal, que chamara nestes últimos días a acudir á mobilización. "Devolución dos terreos", "devolución gratuíta" ou "A Coruña non se vende, A Coruña se defende" berrouse tamén no punto final da manifestación, ante a sede da Autoridade Portuaria, organismo que aposta -ao abeiro dun acordo asinado co Concello hai máis dunha década- por construír máis de 4.000 vivendas no peirao de San Diego, con edificios de ata dez alturas, así como instalar novas grandes superficies comerciais no de Calvo Sotelo e Batería, con inmobles de ata nove alturas. E a cidadanía parece decidida a opoñerse de maneira contundente. Con máis de 10.000 sinaturas recollidas pola Comisión na cidade a prol da devolución gratuíta dos terreos e o impulso do goberno local en contra da suá privatización, a manifestación deste domingo pretende fortalecer a posición e amosar o rexeitamento masivo da cidadanía ás intencións da Autoridade Portuaria, ademais de ratificar a concienciación cada vez máis masiva das xentes da Coruña ante o futuro do seu litoral. Foi antes, precisamente, de que o executivo municipal convoque, como se acordou no pleno do pasado 6 de marzo, unha consulta popular sobre o futuro da fachada marítima. A marcha esixe á Autoridade Portuaria a devolución gratuíta da Solana e do Hotel Finisterre cando acabe a concesión e a de todos os peiraos que cesen a súa actividade A Comisión esixe á Autoridade Portuaria a devolución gratuíta ao Concello da Solana e do Hotel Finisterre cando acabe a actual concesión en 2027 e tamén, a través dun novo convenio, de todos os peiraos que cesen a súa actividade portuaria, "asumindo o Estado o custo íntegro e as débedas da construción do porto exterior en Punta Langosteira e as súas conexións, como se fai con outros portos". "Por que A Coruña ten que vender os seus peiraos para que Fomento rescate con máis de 5.000 millóns de euros as ruinosas autoestradas radiais de Madrid?", pregúntantanse, á vez que reclaman tamén que se reintegre no espazo público da cidadanía o antigo cárcere ou a zona do Campo da Estrada. A Comisión entende que a marcha "debera servir como axitador das conciencias dos responsábeis públicos encargados de dar resposta ás inquedanzas dunha parte importante da poboación coruñesa" Finalizada a marchar, a Comisión entende que a importante asistencia "debera servir como axitador das conciencias dos responsábeis públicos encargados de dar resposta ás inquedanzas dunha parte importante da poboación coruñesa". Ademais, avalou como "altamente positivo" o apoio social, o que reafirma a súa "convicción" de que "A Coruña atópase diante dunha das millores oportunidades para equilibrar os elementos urbanos xa existentes potenciando os seus fundamentos de racionalidade, dada a correlación de forzas actual no Pazo de María Pita, moi lonxe da que había en 2004, cuxo convenio asinado nesa data planea como unha espada de Damocles sobre os sofridos cidadás coruñeses". "O esceario actual é propicio para executar todo un conxunto de plans complementarios que permitan a recuperación da parte da fachada marítima copada polos peiraos", engadiu a entidade convocante. "A Coruña naceu do mar e no mar ha ter o seu futuro" Nos discursos finais, o xornalista, escritor e músico Xurxo Souto advertiu que "A Coruña naceu do mar e no mar ha ter o seu futuro". Ademais, unha representante do Comité de Empresa do Hospital Militar, Pilar Oviedo, lembrou a mobilización que hai anos evitou a súa privatización e Teresa Ramiro, en representación das marsicadoras da Ría do Burgo, destacou a riqueza e os postos de traballo que o mar deu á cidade, reclamando a rexeneración e o dragado da ría. O manifesto da Comisión foi lido polos xornalistas Antón Luaces e Consuelo Bautista. Ferreiro destaca a importancia do "apoio social" O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, estivo presente na marcha xunto a outros concelleiros do goberno local. "É un día importante para os e as coruñesas, para demostrar cal é a nosa postura sobre a incorporación dos terreos portuarios á cidade, que entendemos que debe basearse no interese da veciñanza, e polo tanto asegurar tanto a titularidade como a xestión públicas destes terreos, lonxe de tensións especulativas", asegurou o rexedor, que cre que o bordo litoral da urbe "debe ser destinado a ampliar os espazos verdes e de ocio da cidade, á vez que para seguir tamén producindo riqueza, que é o que sempre significou o porto para A Coruña", engadiu. Ferreiro insiste na intención do Concello de "asegurar a titularidade e xestión pública dos terreos portuarios" "A convocatoria de hoxe é importante xa que o apoio social dá ferramentas ao propio goberno local á hora de abordar as negociacións e o proceso que estamos a levar a cabo coas institucións pertinentes para garantir a titularidade e xestións públicas da fachada atlántica", dixo. "Se no seu momento non houbese unha forte contestación cidadá, os terreos da Solana xa estarían vendidos a estas alturas, polo que é importante seguir contando co apoio da cidadanía", explicou. Na manifestación deste domingo estiveron presentes numerosos representantes de formacións políticas, como o BNG e o PSdeG, así como o deputado nacionalista Xosé Luís Rivas, Mini; ou os parlamentarios por En Marea no Parlamento Antón Sánchez e Luca Chao, e no Congreso, Antón Gómez-Reino, Yolanda Díaz e Miguel Anxo Fernán Vello. |
NOS_9787 | O letrado e político galego (Ourense, 1934) foi chave na loita obreira de Vigo de 1972. | Fernando Martínez Randulfe faleceu en Vigo, cidade na que desenvolveu á súa carreira profesional como avogado especializado en asuntos laborais. A defensa dos dereitos dos traballodes foi un obxectivo que compartiu durante moitos anos con Elvira Landín, fundadora do despacho no que comezou a exercer nada máis trasladarse desde a súa cidade natal, Ourense, onde xa se iniciara como letrado. "A represión en Vigo nas folgas de 1972 foi terríbel" Landín foi, ademais, até a década dos 90 a súa parella e compañeira de vida. Xuntos, enfrontaron un dos desafíos profesionais máis importantes da clase obreira galega. Nos anos 70, na recta final do franquismo, asumiron a defensa dos traballadores afectados pola folga de 1972, chamada a mudar o movemento obreiro e sindical da Galiza. Segundo lembra o historiador José Gómez Alén na obra Elvira e Fernando. Xustiza, traballo e liberdade, publicado en 2015, o seu traballo ía máis aló da defensa xurídica e procesal. Exercían como asesores dos traballadores en negociacións colectivas até o punto de crear unha escola de dereito entre a súa casa e o despacho. "O 10 de marzo non era só a negociación dun convenio" Martínez Randulfe tamén participiou da política galega nos primeiros anos tras a fin ditadura. Vencellado inicialmente aos xesuítas, afiliouse a Esquerda Galega, encabezou a candidatura por Ourense nas primeiras eleccións autonómicas, mais non conseguiu escano. Catro anos despois, en 1985, obtivo representación, ao figurar como número dous da candidatura do PSG-EG por Pontevedra. Nos últimos anos foi presidente de Esculca, observatorio para a defensa dos dereitos e as liberdades civís na Galiza. |
NOS_40858 | Queremos Galego concentrouse perante a instancia xudicial para amosar o seu rexeitamento á sentenza que tomba parte da ordenanza do Concello de Lugo sobre uso do galego. | Esta quinta feira (14 de abril) a plataforma Queremos Galega concentrouse diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) na Coruña para manifestar o seu rexeitamento á decisión xudicial que invalida parte da Ordenanza municipal aprobada en 2012 polo pleno do Concello de Lugo sobre o uso institucional do galego. A sentenza do TSXG invalida artigos como o que recoñece o galego como "lingua propia de Galiza" No concreto, o tribunal tombou boa parte do articulado da norma após unha denuncia presentada polo colectivo Galicia Bilingüe ao considerar "contrarias a dereito" algunhas das medidas nela recollidas a comezar polos apartados 1 e 2 do artigo primeiro referidos ao galego como "lingua propia de Galiza, é idioma oficial do Excmo. Concello de Lugo" polo que "as actuacións administrativas realizadas en galego no territorio municipal terán plena validez e eficacia". A este respeito o Tribunal anula esta parte ao considerar que "ao silenciar a referencia ao castelán (...) dan a entender que este non é idioma oficial ou que só son válidas as actuacións administrativas en galego". Neste senso, Queremos Galego denuncia que a decisión do tribunal "súmase" á "campaña de acoso á lingua que comezou en 2010 co decreto contra o galego" aprobado polo goberno de Alberto Núñez Feijóo, "tentando frear pola vía xudicial o que o pobo galego conquistou pola vía política e democrática". Todos os avances legais para o galego foron froito do esforzo da sociedade galega que sobrepasou sempre ao poder político Así, sinalan nun comunicado que foi distribuído na propia concentración, "todos os avances legais para o galego foron froito do esforzo da sociedade galega que sobrepasou sempre ao poder político na demanda da oficialidade real e plena igualdade xurídica". Un "amplo consenso social", din desde Queremos Galego, que se materializou "desde hai trinta anos en moitos concellos como o de Lugo, en ordenanzas que pretendían dar ao noso idioma a igualdade e normalidade mínima para poder existir e que lle corresponde por ser a lingua de todas as galegas e galegos". Medidas que "foron aprobadas por acordo amplo, unánime e aplicadas con grande acollida e sen problemas", lembra a plataforma. Neste senso, aseguran que a decisión xudicial está "baseada en prexuízos contra o galego que afirman que o noso idioma só pode ter presenza nos textos legais se é baixo o amparo do castelán e en inferioridade de posibilidades de práctica e uso". En troca desa posición reivindican que "o idioma é a vida" polo que apelan á restitución do contido invalidado polo Superior de Xustiza e a aprobación de ordenanzas como a de Lugo en máis concellos do país. Escrito ao presidente do contencioso-administrativo Após a concentración Queremos Galego entregou ao coidado do presidente do contencioso-administrativo un escrito no que critican a sentenza pois, din, "ataca elementos da política de normalización da lingua galega completamente asumidos e apoiados maioritariamente polo pobo galego" que, aliás, foron recollidos na lexislación vixente como a Lei de Normalización Lingüística, o Plano Xeral de Normalización Lingüística, a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas ou mesmo a Declaración universal de dereitos lingüísticos. Así mesmo, aseguran que o fallo xudicial "ponlle o carimbo de legalidade e lexitimidade á discriminación de usuarias e usuarios de servizos públicos privatizados por razón de lingua, ao primar o suposto dereito de descoñecemento do galego por parte das empresas prestadoras de servizos á administración municipal fronte ao dereito a empregalo e ser atendido en igualdade de condicións por parte das e dos cidadáns". |
PRAZA_9947 | No 2018 houbo 56 mortes en accidente laboral en Galicia, 11 máis que o ano anterior, o que mantén o noso país como a comunidade con maior mortalidade do Estado. O persoal con contratos temporais suma o 42% dos sinistros, a pesar de representar o 27% da poboación asalariada | Galicia foi no 2018, un ano máis, a comunidade autónoma con máis accidentes laborais mortais por traballador. En total foron 56 as mortes, 50 delas en xornada laboral (sete máis ca no 2017) e outras seis en accidente in itinere. Isto representa un índice de 6,05 accidentes mortais por cada cen mil traballadores/as, mentres que a proporción no conxunto de España foi de 3,24, pouco máis da metade.As persoas cun contrato temporal sofren o 41,7% dos accidentes de traballo, a pesar de que este colectivo representa o 26,6% da poboación asalariadaCCOO-Galicia vén de presentar un estudo sobre os accidentes de traballo e enfermidades profesionais, que alerta da elevada incidencia dos sinistros laborais no noso país, especialmente dos máis graves e que pon o foco nas causas desta situación. O sindicato fai fincapé en tres elementos: o elevado peso que os sectores primarios —agricultura e pesca— teñen na economía galega (onde se rexistran a maior parte deses sinistros), a falta de traballo en prevención e, finalmente, o alto nivel de precariedade do mercado de traballo en Galicia.A principal conclusión do informe é que a máis precariedade, máis sinistralidade laboral, rexistrando os traballadores e traballadoras con contratos temporais (especialmente os de curta duración) máis accidentes laborais que o conxunto da poboación.CC.OO. culpa á reforma laboral do 2012 da "degradación das condicións laborais" e dos altos índices de accidentes laborais en GaliciaAs persoas cun contrato temporal sofren o 41,7% dos accidentes de traballo, a pesar de que este colectivo representa o 26,6% da poboación asalariada. Ademais, o 21% dos accidentes con baixa en xornada laboral rexistrados no 2018 sufríronos persoas que tiñan unha antigüidade inferior a tres meses no seu posto de traballo. Os accidentes de traballo con baixa en xornada laboral aumentaron entre as persoas con contrato temporal e, pola contra, baixaron nas que tiñan un contrato indefinido."Resulta evidente que a sinistralidade tamén vai da man do traballo precario", subliña Roi Fernández, secretario de Saúde Laboral de CCOO-Galicia, que culpou a reforma laboral do 2012 da "degradación das condicións laborais" e, en consecuencia, dos altos índices de accidentes de traballo en Galicia. Fernández reclamou derrogar a reforma laboral do 2012 polo seu carácter "lesivo para os intereses da clase traballadora" e substituíla por unha nova regulación do mercado de traballo que garanta os dereitos do persoal e mellore a súa seguridade e as condicións nas que realizan as súas funcións.A agricultura e a pesca rexistraron os maiores aumentos do número de mortes no 2018O informe destaca que no 2018 o incremento dos accidentes mortais en xornada laboral deuse sobre todo nos homes e en todos os sectores de actividade, agás na construción. O maior aumento rexistrouse na agricultura (tres mortes máis, o que equivale a un aumento do 75%) e na pesca (catro mortes máis, un 66% de incremento).O sindicato fai fincapé tamén na necesidade de que se recoñezan e se traten como é debido as enfermidades profesionais. "Como sociedade non nos podemos permitir que non se identifiquen o cen por cento das enfermidades contraídas no traballo", salienta Fernández, que explica que se unha enfermidade laboral se clasifica como común "recórtanse os dereitos económicos dos traballadores e traballadoras, ademais de sobrecargar a seguridade social con custos que deberían asumir as mutuas". Ademais, subliña que a non identificación de todas as enfermidades profesionais "impide traballar en prevención de maneira eficaz e, en consecuencia, que as persoas sigan enfermando e sexa moi difícil eliminar os riscos".Roi Fernández pide "un control máis estrito" para as mutuas"A prevención de riscos laborais e o emprego de calidade son os únicos camiños eficaces na redución da sinistralidade laboral. Cómpre investir en formación e sensibilización para que se identifique a sinistralidade como un problema social grave", conclúe Fernández, que tamén realiza unha chamada de atención ás mutuas, para as que esixe "un control máis estrito". "A estas entidades colaboradoras da Seguridade Social temos que esixirlles plena colaboración en sacar á luz todos os casos de enfermidades contraídas no traballo. Só así será posible incidir nelas a través da prevención de riscos laborais", di. |
NOS_48192 | O peso que ten a contratación pública nas diferentes Administracións que se atopan na Galiza segue a ser moi importante. Un informe presentado por Comisións Obreiras sinala que supera os 221 millóns de euros cunha incidencia superior das entidades locais, que adxudican un 82% deses contratos. Pola contra, a reposición de prazas nos cadros de persoal segue a estar en mínimos. | Os datos presentados onte pola Federación de Construción e Servizos de Comisións Obreiras (CCOO) a través do Observatorio sectorial da contratación pública sinalan a importante presenza de empresas privadas no mantemento dos servizos públicos. Segundo o secretario de Acción Sindical da federación estatal, Daniel Barragán, "Galiza é, despois de Andalucía e Catalunya, a que maior número de contratos adxudicou en 2020, un total de 1.058, por un importe superior aos 221 millóns de euros". As entidades locais por adxudicar 82% to total, seguidos os contratos estatais (11%) e da Xunta e os seus organismos dependentes co 7% restante. Isto significa que catro de cada cinco procedementos e sete de cada 10 euros do orzamento de contratación foron xestionados polas entidades locais. A maior parte de contratos, para obras As obras de construción, o mantemento e rehabilitación de edificios e infraestruturas e a subministración de materiais para a realización dos mesmos supoñen un importante 80,1% do total de contratos do ano 2020. Séguenlle as actividades de limpeza, que supuxo un 7,5% do total, a contratación de seguridade privada (2,7%), xardinaría (2,5%), obras en estradas (2,4%), servizos de axuda a domicilio (1,8%), recollida e xestión de residuos (1,3%), silvicultura (0,9%), servizos profesionais varios (0,8%) e teleasistencia domiciliaria (0,2%). Por contía económica, as obras levaron 144 millóns de euros (65%), a contratación de servizos de axuda ao fogar 42 millóns de euros (19%) e as actividades de limpeza de locais e edificios, ás que se dedicaron 13 millóns de euros (6%). Nas reducións aplicadas sobre as contías das licitacións, as obras de construción (17,6%) e as actividades de limpeza (17,1%) lideran as rebaixas, seguidas da xardinaría (15,4%). Do total de orzamento público non gastado, debido á minoración do prezo de licitación inicial, na adxudicación durante 2020 na Galiza (máis de 37 millóns de euros), a maior parte concéntrase nas actividades de obras de construción (72,7%) con 27,2 millóns de euros menos, axuda a domicilio (7,6%), con 2,8 millóns de euros menos, e limpeza (7,2%) con 2,7 millóns de euros menos. Por organismos públicos, o Estado español aplicou as menores reducións (13,5%). A Xunta da Galiza e os seus organismos dependentes, pola súa banda, lideran as baixadas de prezo en xeral (con 14,9% de media) e en particular, as das adxudicacións en obras en estradas con rebaixas no prezo de adxudicación do 20,1% e na contratación do servizo de axuda a domicilio (10%), que duplica as rebaixas de prezo das entidades locais (5,5%). Menos persoal público Xabier Picón, membro da CIG, considera que é contraditorio que as Administracións manteñan a taxa de reposición vixente dos seus cadros de persoal "cando se está movendo este volume de contratación pública", polo que recomenda que "se reforce o persoal público". Desde a central nacionalista consideran que, cando se realiza este tipo de contratacións, en realidade, "contratan man de obra", porque cando se concesionan servizos "estabelécese un canon polo que se fan cargo da adquisición de maquinaria e medios". Os gastos son maiores por ter, segundo explica Picón a Nós Diario, que "pagar o Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) mais o beneficio empresarial, que é entre 8% e 13%". José Luís Fernández Celis, de UXT, lembra a Nós Diario que a contratación pública das Administracións é "unha boa parte do Produto Interior Bruto galego" e sería moi importante que as Administracións "desen un bo exemplo coa calidade deses contratos en relación á saúde laboral, medio ambiente e igualdade". Así, propón unha mesa "onde as organizacións sindicais poidamos facer un seguimento para marcar un rumbo que impulse a súa calidade". |
NOS_16005 | O ciclismo galego está de noraboa. O recente campionato contra o reloxo individual (CRI) de Baños de Molgas, que contou con 300 participantes, constatou a boa forma de Samuel Blanco, actual líder estatal de fondo, e a volta aos circuítos de Aída Valiño logo dun tempo fóra da competición oficial. | O Campionato da Galiza de ciclismo contra o reloxo individual (CRI) salvou as circunstancias da emerxencia sanitaria pola Covid-19 en Baños de Molgas e constatou a boa forma do dominio marcado por Aída Valiño e Samuel Blanco. Estes deportistas de elite marcaron os mellores rexistros nas súas categorías nos 13 quilómetros de percorrido e, xunto a catorce ciclistas de entre 300 participantes, fixéronse cos títulos galegos na competición organizada nesta ocasión polo Club Ciclista ADO Moure. O mellor tempo da xornada foi para Blanco, actual campión estatal de fondo en estrada, que defendía a coroa elite, cun crono de 17 minutos e 10 segundos superando por 1:08 a Aser Estévez (Oiense) e por 1:13, a Roberto Mediero (Máster da Louriña). O segundo mellor rexistro entre os homes estabeleceuno Adrián Barros (Supermercados Froiz). O ciclista vigués logrou o ouro sub23 cun tempo de 17:49 e o seu equipo copou o podio con Aarón Mariño ocupando a segunda praza e Abel Franco selando o triplete da formación alimenticia. Entre as mulleres Aída Valiño demostrou estar en moi boa forma e non deu opción ao resto de corredoras. A lucense afincada en Tui do Máster da Louriña venceu cun tempo de 19:36, quitándolle a coroa elite por 1:33 de diferenza a María Jesús Barros (Spol). Barca Toba (Farto-Aguas do Paraño) rematou terceira na categoría raíña feminina. Para Valiño era unha volta a competir en ciclismo. "Estou moi contenta, atopeime moi forte e satisfeita de facer outra vez contra o reloxo", explica a Nós Diario, "é unha disciplina que sempre se me deu bastante ben, gañando os campionatos galegos", engade. Recoñece que este ano "non sabía como sería" mesmo antes de que chegase a pandemia da Covid-19. Agora agarda seguir co triatlón e estará presente no de media distancia de Sevilla a finais deste mes. O título sub23 esta edición foi para a gran favorita Carla Fernández (Río Miera). A viguesa tivo como principal adversaria Zaida González (O Rosal), mentres que na pugna polo bronce impúxose ao remate da proba Paula Faraldo (Vigués). Categorías máis igualadas Entre as categorías máis igualadas deste campionato galego estivo a júnior masculina. Nela, Gianni Iannelli (Il Piccolo) conseguiu rebaixar en 6 segundos o crono de Martín Rey (Aluminios Cortizo) e en 9 o de Raúl Casalderrey (Farto-Aguas do Paraño). Polo seu lado, Sabela Rey (Farto-Aguas do Paraño) triunfou con autoridade nas juniors por diante da súa compañeira de equipo Claudia García e de Laura Teniente (Aluminios Cortizo). En cadetes dominou Iago Carou (O Barbanza), que estivo acompañado no podio por Iván Fernández (Bici Verde) e Roberto Pereira (Avanza-O Porriño), segundo e terceiro respectivamente. A proba feminina cadete resolveuse coa vitoria de Sonia Domínguez e o segundo posto, para Sofía Álvarez. Laura Mira (Il Piccolo) concluíu terceira. Categoría veteranas Nas categorías máis veteranas triunfou o club anfitrión do ADO Moure. En máster-50 levouno Alfonso Fernández, con José María Tajes (Quintena) na segunda praza e Manuel Bugallo (Biciosos-Rías Baixas) terceiro, e nos máster-60 Ernesto Suárez superou Manuel Prieto (Norinver) e Julio Fernández (Bicis Oliveira). Nos máster-30 Samuel García (Norinver) foi primeiro, con Iago Alonso como segundo clasificado e con Daniel Guerreiro terceiro no podio. En canto aos máster-40, Faustino Puga (Bicis Oliveira) adxudicouse o primeiro posto mellorando os rexistros de Iván Vidal (Máster da Louriña) e de Marcos Mayo (BTT O Treito). Os cambios con respecto a 2019 viñeron pola banda das categorías femininas de masters que se realizaron no circuíto. Liza Caballero (Team Cabañas) gañou nas máster-40, con Montserrat Martínez (Oiense) como segunda e Eva Ortega (Biciosos-Rías Baixas), en terceiro lugar. A carreira de máster-40 rematou co triunfo de Natalia Raña (Corbelo), con Cristina Molina (Vigués) segunda e Mónica Alarcón (Máster da Louriña) en terceiro lugar. En Baños de Molgas tamén estiveron deportistas do paraciclismo como Iván Montero e Mila López que aproveitaron esta proba para preparar en condicións o Campionato estatal de Ciclismo Adaptado. |
NOS_16591 | Após seren postos en liberdade o pasado 2 de novembro, os independentistas detidos na "Operación Jaro" compareceron publicamente para defender o traballo do seu traballo político en Causa Galiza. | Os militantes independentistas puxeron de manifesto nunha rolda de prensa que tivo lugar na mañá do sábado en Vigo que a súa detención no marco da "Operación Jaro" respondeu "á profunda crise que vive o réxime de 1978 e que ten unha ampla fenda aberta co proceso catalán". Criticaron que o Estado "elixa as vías represivas para cargar contra as formacións políticas legais e independentistas". Os detidos, que advertiron de que "nunca se demostrou que fixeramos unha actividade ilegal", salientaron que "nin a Garda Civil nin a Audiencia Nacional contan con dados obxectivos para determinar que Causa Galiza desenvolva actividades ilegais". Os independentistas barallan unha mobilización nacional para denunciar a "ilegalización encuberta" de Causa Galiza Sobre a decisión da Audiencia Nacional de suspender a actividade política de Causa Galiza durante dous anos, informaron de que contan cun equipo xurídico que traballa na causa, co fin de abrir outra fronte contra o proceso de ilegalización aberto". A este respecto, afirmaron que barallan unha mobilización a nivel nacional para as próximas semanas co fin de denunciar o "proceso de ilegalización encuberta" de Causa Galiza e para "defender os dereitos civís e políticos" do pobo galego. Os detidos denunciaron a "tensión psicolóxica permanente" e a "infra alimentación" nos tres días que permaneceron en dependencias da garda civil Amais, os activistas independentistas aproveitaron a rolda de prensa para denunciaren "a tensión psicolóxica permanente" e a "infra alimentación" á que foron sometidos nos tres días que permaneceron detidos. En relación ao delegado de Goberno na Galiza, Santiago Villanueva, sinalaron que "realizou funcións de xuíz cando afirmou que se descabezara unha organización terrorista". Neste contexto, pediron respecto, pois son persoas cunha "vida civil absolutamente normal, con postos de traballo e familias". Reunións con colectivos políticos, sociais e sindicais Na tarde deste sábado, os militantes independentistas manterán xuntanzas con formacións políticas, sociais e sindicais para lles trasladar "o atropelo policial e xudicial" ao que se viron sometidos. |
NOS_32811 | Como ía José María Fajardo de Andrade pensar o que se lle viría encima cando a finais de 2018 accede á presidencia da Federación Galega de Tiro Olímpico... Tal e como el mesmo recoñece, "ninguén estaba preparado para unha pandemia", pero desde entón traballa para demostrar que a práctica deste deporte sen contacto físico "é totalmente segura". | -Gustaríame comezar preguntándolle por este novo escenario no que estamos e que case poderíamos denominar poscovid... Non, non podemos falar aínda dun escenario poscovid. É máis, non debemos, porque non estamos en poscovid. -Como definiría entón o escenario actual? Nós, desde logo, non estamos actuando como poscovid. O deporte estivo moi condicionado polo coronavirus, como todas as actividades humanas, e para poder reiniciar de novo a actividade tivemos que estabelecer unha serie de protocolos, en coordinación coa Secretaría Xeral para o Deporte, que están adaptados ás características e necesidades do noso deporte e que aínda seguen vixentes. -Cales son esas características e necesidades específicas do tiro olímpico? Se ben non existe un contacto físico directo, como pode existir nos deportes de loita, si que se comparten unha serie de instalacións e espazos que ás veces son abertos e ás veces fechados, e nos que nunhas ocasións hai distancia de seguridade abondo e noutras non. A panoplia de modalidades deportivas é moi variada, pero podemos falar de tres grandes ramas: o mundo da precisión, os recorridos e o tiro ao prato, todas coas súas características específicas que obrigaron a desenvolver un protocolo diferente para cada unha delas. Eses protocolos son bastante completos e abranguen eidos como a saída do domicilio aos campos de tiro, a chegada, a execución do adestramento ou da competición, a entrega de trofeos no caso de existir e o regreso ao lugar de destino. Aplicándoos correctamente, garántese que a persoa poida practicar o deporte en condicións de seguridade, porque o noso é un deporte que se leva a cabo en todo o territorio galego e, a pesar de que o número de contaxios é máis baixo que antes, entendemos que non debemos baixar a garda porque se ten lugar un contaxio nunha competición sería a nosa responsabilidade. -Até o de agora, a pandemia do coronavirus afectou de modo totalmente contraposto ás distintas modalidades deportivas, pois se ben algunhas federacións afirmaron perder un substancial número de practicantes, outras consideraron que as limitacións estabelecidas ao deporte non federado nos pasados meses motivaron que moitas persoas se decidiran a pagar unha ficha para poder practicar o deporte dos seus amores. En que escenario se atopa o tiro olímpico? Nalgunha modalidade, como pistola aire, estamos en número récord. De todos os modos, quero destacar que no noso deporte as normas de seguridade que estamos mantendo son asumíbeis, non condicionan a práctica deportiva, e quizais por iso non notamos un descenso significativo, pois a cifra total é moi similar á de anos anteriores, non inferior, aínda que si é certo que se pode afirmar que flutúa: nalgunhas subiu, noutras baixou un pouquiño. A nosa intención é transmitir a mensaxe de que o deporte é saúde, non é enfermidade, non é Covid, e nós o que vemos é que a xente ten ganas de volver vivir, de volver relacionarse e de volver practicar deporte, que é algo que a día de hoxe é fundamental para as persoas. -Pondo o foco nesa modalidade en concreto, pistola aire, ten a peculiaridade de que a respiración é un dos factores máis importantes. Como regulou a Federación o uso dun obxecto que inflúe directamente neste ámbito como é a máscara? Depende das condicións da galería de tiro. As de aire son fechadas por normativa, con iluminación artificial nuns niveis moi concretos. Entón, isto impide que se poida practicar ao aire libre, como sucede, por exemplo, co tiro ao prato. Hoxe sabemos que o contaxio da enfermidade está moi relacionado cos aerosois, a transmisión a través do aire, así que determinamos que naquelas galerías de tiro onde se permita unha boa osixenación, unha boa reciclaxe do aire, pódese baixar a máscara unha vez que a tiradora estea no seu posto. Isto está condicionado á ventilación dos sitios, con sistemas de renovación de aire e apertura nos seus dous extremos, pois como as galerías tenden a ter formas alongadas, fórmanse correntes de aire e mellora a ventilación. E para maior protección, fabricamos unhas pantallas de separación, que non existían nesta modalidade e que fan que se, por exemplo, alguén esbirra, resulte imposíbel que te salpique. -É vostede optimista ante a posibilidade de que o novo panorama que parece que se abre permita recuperar a normalidade absoluta no seu deporte, alén de máscaras e esas pautas que sinalaba e que multiplican as esixencias e o traballo para a súa federación? A nivel do tiro xa estamos nunha normalidade completa. Sempre, claro, mantendo unhas medidas de seguridade porque no noso deporte iso non supón unha diminución da calidade, alén de cumprimentar un papel, hixienizar o teu posto de tiro... ningún récord vai deixar de superarse por manter unha distancia ou usar unha máscara. Poden ser unhas pequenas molestias, canto tempo van durar? Depende. Algunhas están aquí, quizais, para quedar. |
NOS_55692 | A opinión é unánime no Courel. As persoas do concello consultadas por 'Nós Diario' non dubidan en sinalar que a veciñanza e os soutos resultaron decisivos para combater os incendios. Neste sentido, significan que os bosques de castiñeiro actuaron como cortalumes na maioría dos lugares. | Óscar Carrete leva desde a sexta feira loitando contra o lume en diversos núcleos do Courel. Na última semana participou como voluntario nos grupos veciñais organizados para combater os incendios. Neste sentido, sinala que "a veciñanza e os soutos pararon os incendios, senón fóra por eles o acontecido en Vilar [O Courel]pasaría en moitos máis sitios". Carrete lembra a Nós Diario o sucedido no lugar de Sobredo. "Lapas de máis de 10 metros que baixan sen control cara a Sobredo só pararon cando comezaron a bater contra o souto que rodea o núcleo, porque o souto non só corta o aire senón que as lapas que chocan contra os castiñeiros perden forza é da tempo a combatelas", afirma este veciño do Courel. Sobredo A historia do acontecido en Sobredo, no Courel, repetiuse noutros lugares deste concello, como en Seceda, Eiriz ou Eufemia. "O souto cortou o lume en Ferreirós", afirma Carrete, en relación con este núcleo do Courel onde 25 veciñas e veciños e un brigadista cunha motobomba pelexaron toda a noite da cuarta feira contra as chamas. Neste sentido, significa que "os piñeiros a diferenza dos castiñeiros son gasolina, neles o lume salta de copa en copa a moitos metros de distancia". Carrete pon como exemplo do perigo dos piñeiros o acontecido en Vilar, núcleo do Courel cuxas vivendas foron arrasadas polas lapas. Neste sentido, significa que "o lume que queimou Vilar entrou pola parte do lugar rodeado de piñeiros". Brigadistas critican a falta de medios: "A xente ten que saber quen é responsábel de que arda sen control medio país" O enxeñeiro forestal Xosé Antón Meixide sinala a Nós Diario que "os soutos, como outras masas arbóreas caducifolias, situados nos perímetros das aldeas actuaron historicamente como cortalumes". Neste sentido, indica que "as follas dos castiñeiros mantéñense verdes durante o verán e esa sombra que proxectan actúa como un microclima". Os soutos, engade, "non son monte, son un cultivo formado por castiñeiros que crean un espazo moi protexido". Xosé Meixide indica ademais que "frean os incendios e que foron plantados, tamén, para protexer os núcleos contra os lumes". Nesta dirección, adianta que "sempre houbo raios e lumes e precisamente por iso sempre houbo medidas de protección contra eles como os soutos". Os piñeiros "son como a gasolina" Meixide lembra que "os castiñeiros ou os carballos non son especies pirófitas, isto é que teñen non afinidade co lume. Os castiñeiros arden pero arden mal, de feito os vellos nunca che recomendarían madeira de castiñeiro para facer lume, sendo empregada para outros usos como facer móbeis". "Os eucaliptos ou os piñeiros son a antítese dos castiñeiros, arden e arden moi ben porque son especies pirófitas", explica Meixide, quen cualifica os "piñeiros de auténticas bombas de reloxería por onde o lume avanza sen control actuando a resina como un autentico combustíbel". |
PRAZA_3461 | No Palexco da Coruña Galicia en Común lanzou a súa candidatura, nun mitin no que Pablo Iglesias e Yolanda Díaz subliñaron as medidas impulsadas nas últimas semanas polo Goberno progresistas. "Cando a xente de mobiliza, claro que se pode gañar", dixo Gómez-Reino | Pablo Iglesias regresaba este sábado a un dos seus escenarios fetiche en Galicia, o Palexco da Coruña. Aquel no que en 2015 centos de persoas ficaron fóra no mitin que catapultou á candidatura da Marea Atlántica. E tamén o auditorio que encheu na campaña electoral das eleccións xerais do 10N. Desta volta o acto serviu para lanzar a candidatura á Xunta de Galicia en Común e de Antón Gómez-Reino e para lanzar igualmente a mensaxe de que o cambio político en Galicia é posible."Dicían que non era posible un goberno de coalición no Estado. E fixémolo. Dicían que non se podía subir o salario mínimo. E fixémolo. Agora din que non se pode derrotar a Feijóo. E tamén o faremos""Que non vos digan que 'non se pode'. Levan seis anos dicíndoo", dixo Iglesias nun momento do seu discurso. "Dicían que non era posible un goberno de coalición no Estado. E fixémolo. Dicían que non se podía subir o salario mínimo. E fixémolo. Agora din que non se pode derrotar a Feijóo. E tamén o faremos", subliñou Yolanda Díaz. Tanto eles dous como o propio Gómez-Reino repetiron unha e outra vez a mensaxe de que cómpre acadar en Galicia o mesmo cambio que xa se produciu no Goberno do Estado, a través dunha coalición de esquerdas.As eleccións ao Parlamento galego do 5 de abril serán -xunto cos comicios vascos do mesmo día- a primeira cita na que se medirá o Goberno progresista. No mitin houbo constantes referencias ás medidas postas en marcha polo Executivo nas últimas semanas, dende a suba do salario mínimo, á supresión do despedimento por enfermidade, á declaración de emerxencia climática ou o imposto ás multinacionais tecnolóxicas."Non só demostramos que podiamos estar no goberno, senón que demostramos que gobernamos mellor""Imos derrogar a reforma laboral do Partido Popular. Sobre o traballo indecente créanse sociedades indecentes", dixo a ministra de Traballo, Yolanda Díaz. Mentres, o vicepresidente Pablo Iglesias fixo énfase na capacidade de xestión da formación de esquerdas: "Non só demostramos que podiamos estar no goberno, senón que demostramos que gobernamos mellor". Ambos os dous destacaron ademais, coa mirada posta no 8M, a inminente aprobación da Lei de Liberdade Sexual que garantirá por lei que "só si é si". "As mulleres non necesitamos que nos protexan, o que necesitamos son leis e recursos públicos para que deixen de asasinarnos", subliñou Díaz."Feijóo estivo moi calado nos sete anos de Goberno de Rajoy", dixo Gómez-ReinoNa súa intervención, Antón Gómez-Reino atacou a Núñez Feijóo: "Fronte á fama de bo xestor de Feijóo, hai que lembrar que dende que goberna a débeda da Xunta multiplicouse por cinco". "Esta campaña vai de desmontar a maquinaria de propaganda do PP", dixo o candidato de Galicia en Común, que subliñou que "Feijóo estivo moi calado nos sete anos de Goberno de Rajoy".Un silencio de Núñez Feijóo que tamén foi salientado por Pablo Iglesias: "Sempre dixen que Feijoo é un tío moi listo, o máis listo do Partido Popular. Tan listo que agora di que non é do PP. Pero unha cousa é ser listo é outra pensar que a xente é parva", dixo o líder de Unidas Podemos, que atacou o discurso de "estabilidade" lanzando polo candidato popular. "Estabilidade é que o 10% das camas de hospital de Galicia? Estabilidade é que Galicia perda poboación? Estabilidade é querer pechar o paridoiro de Verín, que se segue aberto é pola mobilización dos veciños e veciñas?", dixo Iglesias."Tamén lle dicían que non se podía á xente de Corcoesto, ou á xente que loitaba contra a mina de Touro, ou á veciñanza que conseguiu evitar o peche do paridoiro de Verín"Pablo Iglesias atacou tamén a Núñez Feijóo a través da coñecida fotografía con Marcial Dorado: "Cando alguén pensa na foto máis famosa de Antón Gómez-Reino pensa na súa foto nas mobilizacións dos traballadores de Alcoa. Pero cando se pensa na foto máis famosa de Feijóo, pénsase na súa foto con Marcial Dorado". Gómez-Reino chamou á mobilización dos votantes de esquerdas, lembrando que "en Galicia hai unha maioría progresista", como quedou demostrado nas municipais do 2015 ou nas últimas convocatorias de eleccións xerais, nas que as forzas progresistas obtiveron unha vitoria moi clara. "Cando a xente de mobiliza, claro que se pode gañar", dixo, lembrando que "tamén lle dicían que non se podía á xente de Corcoesto, ou á xente que loitaba contra a mina de Touro, ou á veciñanza que conseguiu evitar o peche do paridoiro de Verín".Iglesias comprometeuse a que "cando botedes a Feijoo o 5 de abril, bañarémonos de novo no Tambre"Ata o Palexco da Coruña achegáronse militantes e simpatizantes procedentes de toda Galicia. Tamén representantes de colectivos sociais, que durante o mitin deixaron oír as súas reivindicacións. Dende as entidades en defensa da memoria histórica, ata membros da plataforma de vítimas do Alvia, que lle entregaron a Pablo Iglesias unha petición para que impulse dende o Goberno unha investigación técnica independente sobre o accidente.Como anécdota, durante a súa intervención Pablo Iglesias lembrou unha ocasión, hai anos, na que se bañou no río Tambre -en Ponte Maceira- con Antón Gómez-Reino. Iglesias comprometeuse este sábado a que "cando botedes a Feijoo o 5 de abril, bañarémonos de novo no Tambre". |
PRAZA_14011 | Preséntase o primeiro trailer do documental Não Lugar, un filme dirixido por Tiago Pereira sobre o canto e percusión tradicional a unha e outra beira do Miño. | Preséntase o primeiro trailer do documental Não Lugar, un filme dirixido por Tiago Pereira sobre o canto e percusión tradicional a unha e outra beira do Miño. O filme conta tamén coa participación de Aitana Eanes na producción e dos músicos Davide Salvado e Pedro Calado. A participación institucional é nula e os patrocinios privados mínimos, polo que os seus responsables iniciarán proximamente unha campaña de crowfunding. O filme acompañará o periplo dun músico portugués (Pedro Calado, dos Gaiteiros de Lisboa) á descuberta do patrimonio musical tradicional de Galicia ao mesmo tempo que un músico galego (Davide Salvado) fará o mesmo en territorio portugués O documental acompañará o periplo dun músico portugués (Pedro Calado, dos Gaiteiros de Lisboa) á descuberta do patrimonio musical tradicional de Galicia ao mesmo tempo que un músico galego (Davide Salvado) fará o mesmo en territorio portugués. En ambos casos, as recolleitas musicais terán a preocupación de incluir as paisaxes e ambientes sonoros atopados, sempre dando protagonismo aos informantes. A través deste intercambio musical preténdese cuestionar de que forma as fronteiras xeográficas dividen ou non a identidade sonora dos lugares raianos. Não Lugar trata a tradición desde unha óptica contemporánea e estará construído esencialmente por música sen entrevistas ou voz en off, só a propia experiencia vivida por Davide Salvado e Pedro Calado. |
NOS_14557 | Profesor de filosofía, Alberte Ansede ocupará a vacante no cargo polo recente falecemento de Saleta Goi. | O padroado da Fundación Manuel María de Estudos Galegos fixo público esta quinta feira a través dun comunicado a elección por unanimidade de Alberte Ansede como o seu novo presidente, ocupando así a vacante no cargo provocada polo recente falecemento de Saleta Goi, viúva do escritor. O barrio coruñés de Monte Alto homenaxea Manuel María e Saleta Goi A propia Saleta tivera a iniciativa de constituír a Fundación unha vez falecido Manuel María no ano 2004, co fin de reunir todo o seu legado e difundir a súa obra literaria. A fundación foi constituída e declarada de Interese Galego no ano 2007, adquirindo inmediatamente a casa natal do escritor en Outeiro de Rei para, despois de remodelala, abrila ao público como Casa-Museo do escritor en setembro de 2013. Desde ese momento deposítase alí e móstrase ás persoas que a visitan todo o legado do escritor, a súa biblioteca, numerosos manuscritos, a rica documentación tanto en soporte de papel como de fotografías, audios, e vídeos ou a colección artística do propio poeta e o seu mobiliario e obxectos persoais. Intensa relación con Manuel María e Saleta Alberte Ansede, profesor de Filosofía, viña desempeñando o cargo de secretario da fundación desde a súa posta en marcha. O novo presidente mantivo desde a súa mocidade unha intensa relación con Manuel María e Saleta, relación que pasou a ser de íntima amizade cando o matrimonio se trasladou a vivir á cidade da Coruña onde tamén residía o propio Ansede. A Coruña homenaxea Manuel María e Saleta Goi coa representación de 'A lúa vai encuberta' Foi precisamente no Teatro Rosalía desta cidade onde o escritor chairego recibiu a súa grande homenaxe en vida, precisamente da man da entidade que presidía Alberte Ansede naquel momento, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG). Para o novo responsábel da entidade, "o activo máis importante da fundación é o colectivo de persoas implicadas no seu traballo pois é o que fai posíbel sacar adiante proxectos e iniciativas que van moito máis aló do noso orzamento". Nese sentido, sinalou que a súa pretensión "non é tanto suplir a Saleta -algo completamente imposíbel- senón contribuír como Presidente a fortalecer a dinámica deste colectivo, única garantía de que a obra de Manuel María siga presente na sociedade galega". Emotiva despedida a Saleta Goi en Outeiro de Rei: "A Galiza perde unha muller excepcional" Salientou, ademais, "o traballo e actitude de Saleta" desde o falecemento do poeta, "admirábel desde o punto de vista humano e impagábel desde o punto de vista social". O cargo de secretario vacante pasa a ser ocupado por Antón Laxe que desde o 2015 é o encargado da Casa-Museo. |
PRAZA_8115 | O PP está aplicando unha estratexia dirixida a externalizar e privatizar progresivamente a sanidade pública. Utilizan o modelo da concesión administrativa ou PFI para entregar a mans privadas a xestión de parcelas cada vez máis amplas da nosa sanidade. Nas comunidades de Madrid e Valencia, onde xa existen as Xerencias Integradas, están a ofertar a empresas privadas a xestión non só dos hospitais senón das áreas sanitarias, incluíndo os Centros de Saúde | O sistema sanitario público en España está organizado en dous niveis asistenciais: Atención Primaria (AP) e Atención Hospitalaria (AH). Nas últimas tres décadas a Atención Primaria experimentou unha mellora notable, seguindo as estratexias da OMS para transformar este nivel de atención, coa creación da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria e das Escolas Universitarias de Enfermaría con novos contidos formativos; tamén houbo unha regulación normativa (RD 137/84) que promoveu a creación de Centros de Saúde coa incorporación de equipos multidisciplinarios e coa mellora da dotación tecnolóxica. Todos estes elementos situaron a AP como un dos piares básicos do sistema sanitario. Os sistemas sanitarios deseñados en dous niveis son os que prestan unha mellor atención e son máis eficientes Diversos estudos confirman que os sistemas sanitarios deseñados en dous niveis (un primeiro nivel que actúa como porta de entrada e coordinador da atención, e un nivel hospitalario que atende aos pacientes máis complexos que requiren de medios non dispoñibles en AP) son os que prestan unha mellor atención e son máis eficientes. Barbara Starfield dixo que "un sistema sanitario forte precisa unha AP forte". Neste tempo de crise, que leva aos gobernos a reducir os orzamentos adicados a sanidade, habería que procurar un maior protagonismo deste nivel asistencial, pois é a maneira de garantir unha boa asistencia con menor custe. A reforma da AP en Galicia realizouse con moita demora, pois os gobernos do PP apoiaron na década dos oitenta as posicións profesionais máis inmobilistas. O Decreto 200/1993 é a norma que regula o desenvolvemento deste nivel asistencial, con dez anos de atraso. O goberno progresista (2005-2009) impulsou de forma decidida a AP e puxo en marcha un Plan de Mellora que foi posteriormente anulado polo goberno de Núñez Feijóo. Mais o golpe decisivo contra estes avances é a posta en marcha das Xerencias de Xestión Integrada que eliminan a autonomía organizativa e orzamentaria da AP. O golpe decisivo contra estes avances é a posta en marcha das Xerencias de Xestión Integrada que eliminan a autonomía organizativa e orzamentaria da AP A primeiros de 2005 o PP puxo en marcha a "xerencia única" de Ferrol, e o conselleiro expresou a súa pretensión de estender ese modelo a toda a comunidade. O cambio de goberno frustrou eses plans, que agora retomaron: xa puxeron en marcha as xerencias de A Coruña-Cee, Ourense, Santiago e Pontevedra-Salnés; en breve prazo teñen previsto constituír as Xerencias de Xestión Integrada de Vigo e Lugo-A Mariña. Daquela expuxemos o noso criterio sobre esta estrutura organizativa. Podemos recuperar os mesmos argumentos: Non existe ningunha experiencia previa adecuadamente avaliada que permita predicir que este novo modelo vai mellorar a xestión e a eficiencia do sistema sanitario público (a experiencia de Ferrol, a día de hoxe, tampouco foi avaliada). O modelo de AP implantado en España nas últimas décadas ten demostrado ofrecer claros beneficios para a saúde das persoas e da comunidade. Este modelo, baseado nos Servizos de Atención Primaria, está pouco desenvolvido en Galicia; precisa de maior impulso para mellorar a súa calidade, a dotación de persoal e recursos e potenciar a súa carteira de servizos. A creación dun único centro de xestión condiciona de xeito negativo o futuro desenvolvemento da AP, que perde autonomía no desenvolvemento dos seus proxectos e queda funcionalmente subordinada ás estratexias de xestión da xerencia única. Neste modelo os hospitais volven ser o centro e precisan dunha AP que seleccione os pacientes con criterios de rendibilidade económica. A creación desta estrutura tampouco garante que a coordinación de AP e AH sexa mellor. En vez de coordinación hai subordinación. Atención Primaria perde todo o control do proceso asistencial e refórzase o "hospitalocentrismo". Esta orientación vai contra da eficiencia: a atención hospitalaria utiliza máis tecnoloxía, provoca máis iatroxenia e resulta máis cara. A creación dun centro único de xestión, xunto coa marxinación da AP, favorece que os recursos deriven, aínda máis, cara os hospitais. A redución das inversións en AP frea o seu desenvolvemento, o que levará ao deterioro da calidade asistencial. A AP, que xa xestionaba un escaso 10% dos orzamentos da sanidade (cando os expertos aconsellan o 25%), queda sen estrutura organizativa nin capacidade de decisión. Os impulsores deste modelo afirman que reducen gastos en persoal e que suprimen cargos directivos. Non é certo Os impulsores deste modelo afirman que reducen gastos en persoal e que suprimen cargos directivos. Non é certo. Os membros das Xerencias de AP integráronse no novo organigrama na súa totalidade, se ben agora ocupan cargos irrelevantes, con escasa función directiva. Tamén afirman que se mellora a continuidade da asistencia. Mais non é así: a supresión das Xerencias de AP non mellora a coordinación e o uso eficiente de ambos niveis asistenciais. O PP está aplicando unha estratexia dirixida a externalizar e privatizar progresivamente a sanidade pública. Utilizan o modelo da concesión administrativa ou PFI para entregar a mans privadas a xestión de parcelas cada vez máis amplas da nosa sanidade O PP está aplicando unha estratexia dirixida a externalizar e privatizar progresivamente a sanidade pública. Utilizan o modelo da concesión administrativa ou PFI para entregar a mans privadas a xestión de parcelas cada vez máis amplas da nosa sanidade. Nas comunidades de Madrid e Valencia, onde xa existen as Xerencias Integradas, están a ofertar a empresas privadas a xestión non só dos hospitais senón das áreas sanitarias, incluíndo os Centros de Saúde. Este será, probablemente, o seguinte paso que tenten dar en Galicia. Como o obxectivo das empresas é conseguir beneficio económico xa podemos enxergar cal será o papel a desenvolver pola AP: será a porteira do sistema, mais verá limitado o seu acceso a probas e terá incentivos para reducir as derivacións ao nivel hospitalario e para realizar selección adversa de pacientes co fin de reducir os custes. As Xerencias de Xestión Integrada veñen ser o certificado de defunción da AP, representan un paso atrás na mellora da xestión sanitaria Por todo o descrito consideramos que as Xerencias de Xestión Integrada veñen ser o certificado de defunción da AP, representan un paso atrás na mellora da xestión sanitaria e supoñen un perigo certo para o futuro da sanidade pública, á vista da evolución seguida noutras autonomías. Reclamamos que se poña freo á implantación deste modelo de xestión e que se recuperen as Xerencias de AP, con capacidade decisoria e orzamento propio. Tamén solicitamos un incremento dos orzamentos de AP e o inicio dun proceso coa finalidade de potenciar o sistema sanitario público, sen poñer en risco os avances e melloras acadados ata o momento. Asinantes: -Manuel Martín García. Presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP). -Jesús Rey García. Coordinador do Plan de Mellora de Atención Primaria do Sergas (2006-2009). -Jesús Sueiro Justel. Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC). -Manuel-V. Fernández Fernández. Presidente da Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (AGEFEC). -Pablo Vaamonde García. Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas (2005-2006). |
NOS_31117 | Para as operarias a conserveira, a saída da subasta de Alfageme amosa a responsabilidade da Consellería de Industria en fanar unha solución para 150 postos de traballo | O Comité de empresa de Alfageme vén de emitir un comunicado no que responsabiliza directamente á Consellería de Economía e Industria de que a conserveira vaia ser subastada por lotes, bloqueando así calquer posibilidade dunha adxudicación que supoña manter actividade e os 150 empregos da empresa, con prantas en Vilaxoán e Ribadumia (O Salnés). O comité lembra que durante estes anos de loita, as únicas que mantiveron un compromiso claro polo futuro e viabilidade da conserveira foron as traballadoras, mesmo aceptando aprazar o cobro de indemnizacións. Os sindicatos lembran que desde maio de 201 había sobrea mesa unha oferta, a do grupo El Consorcio, na que se pactara coas centrais un plan industrial para Alfageme e manter os empregos. O feito de que a Consellería optase por procedementos que terminan na subasta da empresa e non na súa adxudicación apunta á falla de interese da Xunta por este sector, apuntan. Os representantes das operarias indican que se manterán as mobilizacións e protestas na defensa da actividade de Alfageme e dos postos de traballo, alén de denunciar o papel da Xunta en todo este proceso. |
NOS_57047 | Alberto Núñez Feixoo vén de designar como xefe de máquinas do novo aparato do PP estatal a Miguel Tellado. O seu nomeamento non sorprendeu nos círculos populares galegos onde se daba por feito que acompañaría o presidente da Xunta na súa nova etapa madrileña. A súa elección para dirixir á area de Organización da formación non pasará desapercibida. | A biografía política oficial de Miguel Tellado ten varias páxinas en branco. Consciente ou inconscientemente a mesma esquece toda súa traxectoria militante con anterioridade ao seu nomeamento en 2003 como xefe de prensa do Concello de Ferrol polo alcalde popular Juan Juncal. Esquerda e nacionalismo Os anos universitarios de Tellado están asociados á esquerda e o nacionalismo. Así, na Facultade de Ciencias Políticas de Santiago de Compostela fixo parte do Movemento Estudantil Universitario, unha organización xurdida dunha escisión dos Comités Abertos de Facultade (CAF) na década do 90 e impulsada e dirixida por algúns militantes do BNG. O Movemento Estudantil Universitario (MEU) situábase na órbita ideolóxica do BNG, mais os seus militantes manifestábanse críticos co suposto control dos CAF por parte dos cadros xuvenís da UPG. Finalmente, a historia de MEU non se alongou máis duns poucos cursos. As persoas de MEU da Facultade de Políticas que coñeceron a Tellado naqueles anos, sinalan a Nós Diario que "non tiña ningunha militancia partidaria" porén definíase como "unha persoa de esquerdas e nacionalista" e "moi marcado pola tradición obreira ferrolán". Xaime Subiela e Miguel Tellado Tellado e a práctica totalidade dos membros de MEU de Políticas tiñan naquela altura como un dos seus referentes a Xaime Subiela, nese momento militante do BNG e actualmente membro do núcleo duro de asesores de Yolanda Díaz no Ministerio de Traballo. "Xaime Subiela era o auténtico líder do grupo", comenta unha antiga militante de MEU, quen continúa sen explicarse "a evolución de Tellado, o último que agardaría del é que acabase no PP". O recen titulado en Políticas pola Universidade de Compostela aínda tardou uns anos en chegar ao PP. Retornado a Ferrol, traballou en Radio Fene, unha emisora municipal dun concello gobernado polo BNG, e no gratuíto O Comarcal, unha publicación impulsada por Manuel Torreiglesias. Juan Juncal e Rey Varela A partir de 2003 a súa historia xa está contada. Contratado polo PP polas súa boas relacións en Radio Ferrol da Cadea Ser, no concello entra en contacto con José Manuel Rey Varela, este si militante popular desde os seus días de estudante de Dereito en Compostela. O patrocinio do concelleiro, alcalde de Ferrol, deputado e conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e do presidente da Deputación da Coruña e presidente do PP na circunscrición, Diego Calvo foi decisivo na súa traxectoria política posterior. Así, non tardou en recalar como xefe de gabinete da Consellaría de Traballo e Benestar na etapa de Beatriz Mato, ocupando ese mesmo cargo na alcaldía de Ferrol a partir de 2011 e saltando ao Parlamento da Galiza en 2012. A carón de Beatriz Mato Tellado iniciouse na administración galega en 2009 como xefe de gabinete da conselleira, Beatriz Mato. Mato, despois de pasar pola Consellaría de Política Social e de Medio Ambiente, rematou como executiva da empresa eléctrica Greenalia, aspirando a presidir a patronal eólica da Galiza. Feixoo reparou nel no Parlamento da Galiza, a onde chegou en 2012. Del gustoulle, o ton duro das súas intervencións, o estilo implacábel coa oposición e a súa falta de complexos á hora de defender as posicións do partido, designándoo en 2014 portavoz do PP e en 2016 secretario xeral. O nomeamento de Miguel Tellado como secretario xeral do Partido Popular da Galiza foi unha decisión unilateral de Alberto Núñez Feixoo. Segundo explicou naquela altura o presidente da Xunta da Galiza, a elección debeuse á necesidade de dispor dunha persoa dedicada a tempo completo á organización do partido e sen responsabilidades gobernamentais, após a experiencia do seu antecesor no cargo, Alfonso Rueda. As razóns de Feixoo Porén, as fontes populares consultadas por Nós Diario consideraron que na escolla de Tellado pesou o seu perfil de "duro", a carencia dun poder territorial que puidese alterar os equilibrios internos e a necesidade dun nomeamento que non se puidese interpretar en chave sucesoria. Tellado arranca unha nova etapa política en Madrid. Os erros ou acertos da mesma aínda están por escribir, mais non lle queda un papel doado por diante. Nesta liña, agárdase que garanta o equilibrio entre os diferentes baróns que posibilitou a caída de Casado e o salto de Feixoo á presidencia. O primeiro grande problema que debe enfrontar desde esta nova responsabilidade é a sucesión de Feixoo á fronte da Xunta da Galiza e das súas obrigas no PP galego. Mais neste caso, os tempos non nós marca Tellado senón os baróns territoriais dos populares galegos. |
NOS_11841 | Responsábel do departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, organizador das IV Xornadas contra a Impunidade Franquista. | Este sábado puxo o ramo en Pontevedra unha nova edición das Xornadas contra a Impunidade Franquista, a cuarta, organizada polo departamento de Memoria Histórica da Deputación que dirixe María Ortega. "Hai un fío condutor entre todas as edicións", apunta Ortega, "que é coñecer o pasado para poder comprender mellor o presente". —Satisfeita con esta IV edición das Xornadas contra a impunidade?Moito. Durante estes anos non só nos cinguimos a pór o foco nas vítimas da represión e nas súas familias, no acompañamento na súa demanda de xustiza e reparación. Aquelas persoas foron asasinadas, represaliadas, por algo e ese algo foron as súas ideas. Nesta edición queriamos pór sobre a mesa como o golpe de estado e a represión afectou esas ideas, como afectou as identidades nacionais da Galiza, Euskal Herria e Catalunya, e como aquilo aínda deixa pegada. A impunidade do franquismo e a "demonización" de opcións políticas deturpadas pola ditadura, a debate en Pontevedra Estamos moi contentos coa participación da xente, coa implicación do público. Enchemos o aforo e sempre está o debate de se ir a outro lugar máis amplo pero é que o lugar onde se fan, salón de plenos da Deputación, cremos que é o ideal polo significado que ten, aquí houbo xuízos sumarísimos dos golpistas, como o que fixeron a Alexandre Bóveda. —Hai implicación e participación por parte das persoas asistentes aos diferentes actos.Hai unha retroalimentación, por dicilo así. Si que notamos esa participación, desde o primeiro momento, ese interese, querer saber mais tamén querer contar. Teño claro que hai unha parte da sociedade que quere coñecer, demanda ese coñecemento sobre o que pasou e as súas consecuencias. Quizás agora, que estamos a vivir unha auxe da extrema dereita, dos discurso de odio e ataques a persoas migrantes, feministas, LGTBi...; esa demanda de memoria vese como máis necesaria. A sociedade necesita coñecer porqué pasa o que pasa. Somos tamén o que fomos e cada vez máis xente, e moita xente nova,a demais; demandan coñecer o que pasou, por que pasou, que significou e como inflúe todo aquilo hoxe en día. —Xa van catro edicións destas xornadas, abordando desde diferentes aspectos e prismas a memoria histórica.As asociacións pola memoria histórica levan moitos anos traballando pola verdade, a xustiza e a reparación. Tiñamos claro que, como institución, o noso labor debía de ser apoialas e acompañalas. Ser unha ferramentas que pulsase por eses obxectivos. E ano tras ano vimos como ía aumentando a implicación nas cuestións que desenvolviamos en memoria histórica. Queriamos que estas xornadas fosen como un fío condutor que nos permita coñecer o pasado para comprender mellor o presente, para entender mellor a Galiza de hoxe, o temos unha historia e esa historia non é a que se reflicte no discurso oficial. A represión das identidades nacionais centra o debate nas xornadas sobre a impunidade franquista —Non son moitas as Administracións implicadas na memoria histórica, o certo é que hai grandes ausencias e silencios a este respecto... É vergoñento que haxa Administracións, que teñen moitos máis fondos que nós e que teñen competencias neste campo, e que non fagan o que deben de facer. Non apoiaron nin apoian a memoria histórica. O Goberno do Estado comeza a dar agora pasos nese sentido mais realmente non hai, nin no Goberno español nin no galego, políticas públicas de memoria histórica. A lei que se vén de aprobar é positiva mais fica curta, e o da Xunta non ten nome. Eu xa só lle pido ao Goberno galego que, polo menos, mostren unha mínima empatía para as familias das vítimas, desa xente asasinada, exiliada, desaparecida.... Na Galiza non houbo Guerra civil, houbo un golpe de estado dos franquistas e comezou a represión; e é vergoñento que Núñez Feixoo saia agora falando de que aquilo foi algo de "avós que pelexaron". |
NOS_10415 | O ex ministro José Manuel Soria acusa a enerxética de prácticas irregulares | O xuíz da Audiencia Nacional Ismael Moreno ten aberta unha causa contra a empresa Iberdrola por manipular o prezo da electricidade co obxectivo de aumentar os seus beneficios. Segundo recolle o xornal El Confidencial, Iberdrola manipulou a poxa para fixar o prezo da enerxía o 19 de decembro de 2013, recortando nas semanas previas de maneira intencionada a produción dos seus encoros para a obrigar a conectarse a outras fontes enerxéticas máis caras como o carbón ou a planta do ciclo combinado. As consecuencias desta decisión, en opinión dos peritos xudiciais, provocaron unha alza no custo da luz de 26,5% durante o primeiro trimestre de 2014, repercutindo nun incremento de 10% para os pequenos consumidores. Os resultados daquela poxa levaron o Goberno de Mariano Raxoi a demandar un informe sobre o encarecemento da electricidade á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) e o daquela ministro de Industria, José Manuel Soria, a advertir publicamente que se tiña "manipulado" a poxa. En relación con estas palabras, declarou o pasado 4 de febreiro Soria diante do fiscal da Audiencia Nacional Antonio Romeral, reafirmándose no seu contido. "Cando no mes de decembro se produciu aquela poxa, no Goberno tivemos unha sensación de extraordinaria sorpresa polos seus resultados", sinalou Soria no xulgado. José Manuel Soria detallou nas súas declaracións na Audiencia Nacional que tras a poxa viron que "algo raro" acontecera, aspecto confirmado o día seguinte pola CNMV, que informou o Goberno de que "concorreran algunhas circunstancias especiais ou anomalías e entón, efectivamente, vimos que ía na liña do que pensábamos que acontecera. Que había algo raro". No mesmo sentido, destacou que Iberdrola tivo "un papel decisivo" á hora de xerar menos enerxía hidráulica da prevista e que motivou que o prezo o luz se disparase a 94,99 euros megavatio á hora. O ministro de Industria de Raxoi explicou na Audiencia Nacional que a manobra de Iberdrola se enmarcou nun conflito do Goberno coas hidroeléctricas, ao negarse o Ministerio de Facenda a incorporar nos orzamentos unha partida de 3.600 millóns para as mesmas. "Había un compromiso por parte do Goberno para incluír eses 3.600 millóns nos orzamentos. Que aconteceu? Pois que o Ministerio de Facenda, o Goberno en última instancia, non cumpriu ese compromiso. Eu entendino, porque había un compromiso superior neses momentos, que era o déficit público", dixo. |
NOS_57624 | O Goberno galego contempla nos orzamentos unha 'flexibilización de tarifas' para garantir a competitividade do sector do taxi. | A entrada de novos actores no sector da mobilidade urbana colleu por sorpresa o sector do taxi, que veu como empresas como Uber ou Cabify, que operan na actualidade na cidade da Coruña, levaban un anaco importante do pastel, sobre todo en percorridos interurbanos. Ante esta situación, a Xunta ten previsto incluír na lei de acompañamento dos orzamentos para o próximo ano unha "flexibilización das tarifas" no sector do taxi co gallo de facilitar "a competitividade e a mobilidade" das persoas usuarias. Como indicou esta terza feira a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, esta medida "solicitada polo sector" ten como obxectivo dar "máis solucións e alternativas" ás persoas usuarias e facilitar que o sector traballe "con lealdade", en clara alusión as compañías de vehículos de transporte concertado, os coñecidos como VTC. Fixación de tarifas Para facilitar as cousas ás taxistas, a nova norma permitiría fixar un prezo ou aplicar un desconto pola prestación dun servicio. Ademais, os concellos serían os que fixarían as tarifas dos servizos urbanos, ou, de ser o caso, por entidades competentes das áreas territoriais de prestación conxunta, como poden ser os traxectos ao aeroporto, onde están a notar en maior medida esta nova competencia. |
NOS_37112 | Os vigueses gañaron no Molinón por 0 goles a 1, grazas a un tanto de Nolito, e estabeleceron unha nova marca histórica: o Celta de Berizzo é o que máis puntos recolleu fóra de Balaídos. | O 0-1 ante o Sporting de Gijón asenta o Celta en quinta posición, con 52 puntos e a tan só cinco dos postos da Liga de Campións. Foi o da mañá do domingo un partido no que os vigueses tomaron a iniciativa e dominaron o xogo. A presión do Celta estivo a piques de se converter en gol no minuto 11, cun disparo de Nolito que rozou o pau da portaría rival. Outra vez o gaditano e noutras dúas ocasións Orellana puideron estrear o marcador, mais sempre deron coas luvas do porteiro rival. O Sporting tivo unha oportunidade clara cando estaba a piques de chegar o descanso. Porén, Tonny Sanabria fallou só ante Rubén Blanco após un error da defensa celeste. Na segunda parte, os locais aumentaron a intensidade de xogo e presionaron o Celta nos primeiros minutos. Porén, cando o reloxo marcaba o 63, Nolito superaba a Cuéllar cun disparo raso pegado ao pau. |
NOS_55872 | Un total de 909 traballadores e traalladoras están afectadas, 76% do persoal. | Adolfo Domínguez decidiu ampliar o seu Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE) a 909 traballadores e traballadoras, o que representa 76% da cadro de persoal do grupo, segundo informou a firma esta sexta feira á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) . En concreto, a ampliación inclúe 145 empregadas e empregados da súa sede, situada en San Cibrao das Viñas, e 36 persoas da súa rede comercial en Portugal, que se suman aos 728 traballadores e traballadoras da súa rede de tendas no Estado español . Segundo explicou a compañía, estanse tomando medidas excepcionais e temporais para proporcionar ao persoal unha cobertura legal e laboral ante a crise do coronavirus, que até o de agora forzou o peche de todos os puntos de venda propios e franquiciados no Estado español, Francia, China, Perú, Kuwait e tamén en Portugal. Nas plantas e oficinas dos servizos centrais da compañía continúan traballando 190 profesionais, 61% baixo teletraballo. Así, o ERTE abranguerá até o mes de maio un total de 909 profesionais (728 da rede comercial española, 145 dos servizos centrais da empresa e 36 da rede de tendas portuguesa) no caso de que o peche dos puntos de venda debe prolongarse. |
NOS_37117 | O secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, despáchase hoxe nunha entrevista na Voz en que acusa ao ILG e ao Consello da Cultura de quereren "colonizar" á Academia. As declaracións demostran tensión interna na institución con sede en Tabernas. | Varios son os membros do Instituto da Lingua Galega que teñen presenza na sede da rúa Tabernas. Antón Santamarina, Charo Álvarez ou Fernández Rei son tres das influíntes figuras do Instituto que teñen cadeira na Academia. Tampouco o Consello da Cultura e os seus membros están mal representados en Tabernas. O propio presidente Ramón Villares, Henrique Monteagudo ou o mesmo Vítor Freixanes son asemade membros destacados da institución que preside Ferrín. As declaracións hoxe do secretario da Academia, Xosé Luís Axeitos, levantan máis o lume e por vez primeira sacan fóra en voz propia unha tensión que se coñecía desde hai tempo e que se ve agravada coas acusacións de nepotismo e de contratación de familiares que pesan sobre a directiva de Ferrín, da que o historiador de Rianxo fai parte. Axeitos abre a billa a un enfrontamento do que ninguén é quen de calcular as forzas, habida conta de que Consello e ILG estiveron sempre abondosamente representados en Tabernas. Axeitos xustifica a política de contratación e, ao seu ver, a filla de Ferrín entrou no cadro persoal ao se tratar dunha función moi específica e o seu fillo estaba vencellado á institución antes del entrar. |
NOS_50234 | As maquetas dos estudos de Creus e Carrasco e Elsa Urquijo móstranse en dous "palazzos" na Bienal de Venecia. | O Palazzo Bembo e o Palazzo Mora acollen as propostas dos estudos arquitectónicos de Elsa Urquijo e Creus e Carrasco nunha iniciativa da área de Cultura da Deputación da Coruña que sitúa á Costa da Morte no epicentro da arquitectura coa participación na 15º Exhibición Internacional de Arquitectura, dentro da Bienal deVenecia de 2016. "A participación destes dous estudos na Bienal de Venecia supón unha promoción a nivel internacional non só da excepcional calidade da arquitectura contemporánea galega senón tamén da Costa da Morte, que está a sorprender pola súa forza paisaxística, pola súa historia, polas tradicións e pola súa gastronomía como un destino turístico de especial interese", sinalou o deputado da área de Turismo, Xosé Regueira, que destacou a atención que estaban a suscitar as propostas dos dous estudos na exposición de Venecia. En dous "palazzos" de Venecia instalou a área de Turismo da Deputación da Coruña as propostas dos estudos de Creus e Carrasco e Elsa Urquijo que participan na 15ª Exhibición Internacional de Arquitectura que se iniciou o pasado xoves 26 de maio dentro da Bienal de Venecia. A obra dos dous estudos galegos atópase na exposición denominada "Time, Space, Existence", o certame oficial onde os arquitectos de todo o mundo poden expoñer as maquetas das súas obras no European Cultural Centre e nos Palazzos Bembo, Mora e Rossini, espazos xa de referencia para a promoción mundial da arquitectura. O estudo Creus e Carrasco participa coa obra titulada "Transicións en contexto. Entre o territorio e a arquitectura". Trátase dunha maqueta elaborada en metacrilato na que se reflicte a silueta da Costa da Morte situando, en cada poboación, as súas obras na comarca. A proposta de Creus e Carrasco, que está instalada no histórico Palazzo Mora , un lugar privilexiado de Venecia, ofrece unha combinación entre o abstracto e a realidade a través das que se descobren as transicións entre o territorio e a arquitectura. O obxectivo é trasladar o proceso polo que se xera a translación entre a paisaxe e o obxecto. A maqueta acompáñase cun pequeno libro que serve ás persoas visitantes como guía para coñecer polo miúdo cada obra que se representa. A publicación serve tamén de mapa da Costa da Morte para coñecer as diferentes localidades e a súa natureza xeográfica. A proposta de Creus e Carrasco combínase cun vídeo que se proxecta en bucle que recolle e presenta distintas imaxes da Costa da Morte. Destaca a combinación entre os espazos que se forman na natureza cos espazos de arquitectura interior, combinando en diferentes fotogramas, entre outras, imaxes do interior dunha cova do monte Pindo cos dunha casa de Carnota. A idea do estudo arquitéctónico é trasladar toda unha experiencia sensorial que nos traslada aos espazos que o ser humano é capaz de crear nun espazo de grande riqueza paisaxística e intensa forza como é a Costa da Morte. "In Finis Terrae" A presenza da Costa da Morte na Bienal de Venecia promovida pola área de Turismo da Deputación da Coruña complétase coa proposta de Elsa Urquijo no Palazzo Bembo, na beira do Gran Canal e a escasos metros da ponte de Rialto. A súa obra, titulada "In Finis Terrae", trátase dun tótem feito en rafia e selado para que adquira dureza e poida sosterse. Ese marco regular inclúe no seu interior un pozo circular recheo de auga. O proxecto da estudo de Elsa Urquijo quere transmitir a regularidade da vida fronte o infinito, provocando a sensación da infinitude cando a persoa visitante accede ao interior do tótem, co aliciente da aparición da auga como xeradora de todas as cousas. O tótem acompáñase de dous vídeos (un en positivo e outro en negativo) que recollen un time laps no Cabo Vilán titulado "a ola" no que se aprecia o infinito fluír do mar, en constante movemento sen comezo e sen fin. Acompáñase a proposta de 3 cubos de granito, materia cabeceira do país. |
PRAZA_842 | A industria audiovisual galega precisa do motor da nosa TVG. Esa TVG que definiu Marga Pazos, Mestre Mateo á mellor comunicadora televisiva, como as canles que"teñen como propietarios aos cidadáns". | É o terceiro ano no que analizo, o día despois dos Mestre Mateo, a situación deste sector estratéxico da nosa economía, malia que a Xunta do PP non acredite nesta cualidade. No 2013 e 2014 falei do "afogo do audiovisual galego" e agora fágoo da reinvención deste sector. Que pasou de novo? O audiovisual galego perdeu máis de dous mil empregos durante a Grande Recesión e chegou a niveis do 60% do desemprego. O IVE cultural e a neglixente actitude dun Feijóo ancorado nunha suicida austeridade case liquidan ao sector. Mais a grande capacidade técnica e profesional da industria audiovisual galega seguiu a xerar novos produtos e novas linguaxes. Ben era verdade que con grandes atrancos canto á distribución, malia a grande afección do público galego ás súas producións. O audiovisual galego perdeu máis de dous mil empregos durante a Grande Recesión e chegou a niveis do 60% do desemprego Mais o sector está a adoptar unha potente estratexia de internacionalización que permite mellorar esta distribución e que as nosas historias e produtos audiovisuais sexan coñecidas alén do noso País. E mira cada vez máis cara ao que escolle e paga: o público. Velaí A Esmorga de Ignacio Vilar: 80.000 espectadores na Galicia, das resultas non só de 15 semanas nas salas de proxección das grandes vilas, senón dunha agresiva distribución nos centros socioculturais e outros puntos análogos. O 8 de maio estréase fóra de Galicia, en Barcelona, Madrid, Euskadi e Navarra. E axiña estará no Reino Unido e noutros países da Europa. A industria audiovisual galega precisa do motor da nosa TVG. Esa TVG que definiu Marga Pazos, Mestre Mateo á mellor comunicadora televisiva, como as canles que"teñen como propietarios aos cidadáns" A industria audiovisual galega precisa do motor da nosa TVG. Esa TVG que definiu Marga Pazos, Mestre Mateo á mellor comunicadora televisiva, como as canles que"teñen como propietarios aos cidadáns". Unha TV pública que ten como misións sobranceiras a normalización lingüística e cultural e a dinamización da industria audiovisual do País. A Esmorga e Os Fenómenos Os grandes triunfadores dos premios Mestre Mateo foron A Esmorga e Os Fenómenos (que acadou os premios á mellor longametraxe, dirección e guión). Dous grandes produtos, mais chocou que A Esmorga, récord de público, non gañase o agasallo á mellor longametraxe. Outravolta semella que en determinados ámbitos profesionais opínase distinto ao público. E, sendo iso normal en Hollywood, non estou tan certo que sexa bo para unha industria convalecente como é a audiovisual galega. |
NOS_40831 | Catro positivos de Covid-19 na factoría viguesa de PSA acenden as alarmas nun sector do que depende boa parte da economía do país. De momento a produción non está en risco, pero serve como chamada de atención para que o tecido produtivo galego extreme as precaucións se non quere pagar as consecuencias. | Galiza sumou esta sexta feira 200 novos positivos da Covid-19, o que eleva o número de casos activos até 3.139. A pandemia avanza polo país e non fai distincións de ningún tipo á hora de propagarse. Até que chegue a vacina, calquera persoa é susceptíbel de caer, e as empresas teñen que estar preparadas, primeiro para evitar contaxios e, despois, para actuar en caso de que se detecten. Nas últimas semanas o virus fixo acto de presenza nas empresas galegas. Primeiro foi Navantia a que detectou varios positivos en empresas auxiliares de Fene e de Ferrol, o que levou o estaleiro público a illar varias decenas de traballadores de modo preventivo. Os últimos gromos tamén afectaron ás dependencias de Correos no aeroporto de Lavacolla (Compostela) e a unha empresa da Pobra do Caramiñal. E hoxe descubríronse os primeiros positivos nun dos xigantes que tira da economía galega, o grupo francés de automoción PSA. Ao igual que acontecera en Navantia, o positivo detectouse nunha subcontrata que traballa na planta de PSA Peugeot Citroën de Vigo o que provocou o illamento de 11 operarios da factoría que tiveron contacto con esta persoa e aos que se lles realizaron as pertinentes probas PCR. Esta tarde, xa cos resultados, coñeceuse o positivo de tres deles. A empresa "confía" en que o surto non vaia a máis. A traballadora que deu positivo está vinculada co gromo que afecta á Comisaría de Vigo e, segundo confirmaron fontes da planta, non está relacionada con procesos produtivos. Nesta mesma liña, tamén informan de que o illamento do resto de operarios tampouco afectará ao normal funcionamento da fábrica. Afección económica A aparición dun gromo na factoría de PSA en Vigo podería chegar a condicionar a actividade dunha planta á que a pandemia mantén nunha permanente situación de alerta. O confinamento levou o grupo francés a presentar un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) para o seu cadro de persoal, que após o confinamento quedou reducidoa regulacións temporais en distintas quendas por mor da caída das vendas derivada da crise económica actual. Cuns abrochos difíciles de controlar, non é descartábel que se rexistren contaxios noutras grandes empresas ou en sectores chave para a economía galega. Como sinalaban estes días os sindicatos, a prevención é a primeira barreira para conter o avance da Covid-19, máis nas empresas galegas adoita fallar a cultura de prevención, unha eiva que pode pasar factura nos vindeiros meses se non se logra atallar a súa expansión. Os cribados xeneralizados poden axudar a unha mellor e máis rápida detección dos contaxios, como acontece no caso das persoas que están a traballar na vendima, ás que as adegas están a facer probas PCR. O propio conselleiro de Medio Rural, José González, recoñecía que esas probas estaban a revelar novos positivos, aínda que puntualizaba que non estaba a haber "un número significativo deles". Falla de prevención Porén, desde os sindicatos botan en falta plans de actuación específicos para cada empresa e protocolos claros para saber como actuar no caso de que se rexistre un positivo. Con todo, non albiscan boas perspectivas, xa que, segundo critican, as empresas non están a gastar en prevención, senón que agardan a que xurdan novos casos para despois actuar. Poñen como exemplo a política forestal. Ante o risco de incendios, é máis efectivo gastar os cartos nunha boa política de prevención que detecte os puntos quentes e defina estratexias para minimizar a aparición de lumes que facer inxentes investimentos en equipos de extinción para apagar eses lumes cando o dano xa está feito. Por sorte, as empresas aínda están en disposición de atallar o avance da pandemia. Deberán, iso si, extremar as medidas de prevención e controlar os novos positivos. |
PRAZA_5832 | Organizacións de defensa do medio ambiente alertan de que a concesión dos galardóns depende dunha organización privada da que a Comisión Europea se desligou hai quince anos por falta de rigor e que non ten en conta criterios ecolóxicos. A propia entidade que as concede recomenda non adxudicalas a espazos de alto valor ambiental. | Como cada ano, o pasado venres alcaldes e alcaldesas de vilas costeiras do país acudiron a un acto encabezado polo presidente da Xunta para recolleren cadansúas bandeiras azuis. As "123 praias, 19 portos deportivos, 14 centros azuis, 15 sendeiros azuis e 2 iniciativas temáticas" distinguidas neste 2014 manteñen a Galicia como "a comunidade autónoma con máis bandeiras azuis", sinalou Alberto Núñez Feijóo no acto celebrado en Vigo, un "logro colectivo" que evidencia o "excepcional traballo" para "garantir a calidade das augas, a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas". As verbas de Feijóo non son excesivamente distintas das pronunciadas polos seus antecesores sobre o asunto e delas cabe deducir que a bandeira azul é sinónimo da calidade ambiental do entorno costeiro no que ondea, unha dedución que os colectivos de defensa do medio ambiente poñen en dúbida dende hai lustros. A orixe das bandeiras azuis esta en 1987, declarado Ano Europeo do Medio Ambiente. No marco daquela conmemoración a daquela Comunidade Económica Europea decidiu apoiar o proxecto das bandeiras, promovido pola Federación para a Educación Ambiental en Europa (FEEE), unha entidade privada representada no Estado Español pola Asociación De Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC). Durante máis dunha década a Comisión Europea deulles soporte económico ata que en 1999 decidiu deixar de subvencionalas "tanto por considerar outras iniciativas medioambientais de maior interese como por razóns propias do proxecto da FEEE". Ás autoridades comunitarias acumulábanselles as queixas individuais e colectivas sobre, por exemplo, as discordancias entre os criterios de concesión das distincións e o estado real das praias e a daquela comisaria de Medio Ambiente, Margot Wallstrom, concluíu que "os criterios que se seguen para outorgar as bandeiras carecen do suficiente rigor". A Comisión Europea retiroulles o apoio en 1999 por falta de rigor Neste escenario, as autoridades comunitarias desligáronse por completo das bandeiras, ata o punto de retirar os distintivos oficiais da UE das enseñas que cada verán ondeas en praias e portos deportivos. Non obstante, autoridades municipais, autonómicas e estatais seguen identificando bandeira e calidade ambiental mentres os colectivos ambientalistas se preguntan "como é posible", por exemplo, "que un litoral e unhas rías cos indicadores ecolóxicos en situación entre mala e crítica e cunha denuncia europea pola súa alta e reiterada contaminación poida ostentar tal cantidade de distintivos presuntamente ambientais", din dende Amigos da Terra. Praias rexeneradas ou "mesmo absolutamente artificiais" manteñen o distintivo Este colectivo ecoloxista chama a atención, ademais de sobre a ausencia de aval público ningún, sobre o feito de que "os criterios de concesión" das banderias "teñen que ver cos accesos, servizos hixiénicos e dotacións, socorrrismo" ou "infraestruturas", os cales explican "que praias rexeneradas, portos deportivos e mesmo praias absolutamente artificiais teñan a súa bandeira", caso por exemplo dos areais coruñeses de Riazor e Orzán, distinguidos de novo neste 2014. Tamén se "analiza a calidade das augas para o baño, importante matiz, pois clarifica o motivo de que unhas augas contaminadas pero cuxa contaminación non afecte á súa calidade para o baño obteñan igualmente a súa bandeira". As bandeiras están "lonxe de ser sinónimo de litoral ben conservado" Na mesma liña, a asociación ecoloxista Adega pon o acento en que a bandeira azul "esa moi lonxe de ser sinónimo de litoral ben conservado". "Monitorízase principalmente a calidade das augas de baño e os servizos da praia e só durante a temporada estival". Pero "o resto do ano non son tidas en conta cuestións tan importantes como o estado das dunas e orla prelitoral, a calidade paisaxística e a ausencia de impactos sobre os hábitats e especies costeiras". "Algunhas das praias que veñen sendo recoñecidas -detallan- amosan graves problemas ambientais relacionaos coa presión urbanística e turística" e outras, como as devanditas praias coruñesas, son froito da vertedura de "millerios sde toneladas de area de canteira" que poñen "a cero" o "contador dos ecosistemas literais". Trátase, en definitiva, dunha "marca publicitaria, un produto comercial deseñado para amortecer os impactos do turismo de masas en litorais intensamente humanizados e non para premiar a boa conservación dos ecosistemas costeiros". Máis prexuízo que beneficio para hábitats sensibles Alén das críticas ecoloxistas, os propios criterios públicos da ADEAC permiten coñecer que este distintivo non é, nin de lonxe, garantía de conservación da natureza. "Algunhas áreas dentro dunha praia bandeira azul ou lindante con esta poden resultar especialmente sensibles dende o punto de vista ambiental e precisar técnicas de xestión espececiais", evidencian. "Neste caso -recomendan- deberán ser valorados os posibles problemas detectados e as recomendacións aos responsables municipais solicitadas ou realizadas por organizacións locais recoñecidas e preocupadas pola conservación da natureza". Esta advertencia lánzana nun contexto no que "pode suceder que a fraxilidade de certos entornos naturais non aconselle a concesión deste tipo de galardón, xa que a afluencia dun número maior de visitantes poderían poñer en perigo a fauna e flora ou os hábitats". "Identificar as praias mellor conservadas ecoloxicamente non é a función da bandeira azul" Dado que para obter unha bandeira azul é requisito imprescindible contar, por exemplo, con infraestruturas de acceso ou aparcadoiros, a entidade promotora admite que estes servizos poden "producir danos irreparables ao medio ambiente natural local", unha observación que tamén recollen algunhas institucións públicas, caso por exemplo da Junta de Andalucía. O departamento de medio ambiente do Goberno andaluz explica, xunto á relación de praias con bandeira no seu territorio, que "en ningún caso as infraestruturas esixidas" pola entidade que as concede "poden nin deben constituírse en argumento para alterar o carácter natural de determinadas paraxes litorais". "A vocación destas paraxes non sería conseguir unha bandeir azul" e "menos aínda utilizar o feito de ser galardoada con bandeira azul como escusa para facilitar a construción de vías de acceso e instalacións e/ou a súa posterior recualificación ou urbanización". "Identificar ou premiar aquelas praias máis verdes, remotas ou inaccesibles e mellor conservadas ecoloxicamente no é a función da bandeira azul", conclúe. |
NOS_36611 | O BNG exixe á Xunta que rectifique a xestión nas residencias e que traslade a centros hospitalarios todas as persoas maiores contaxiadas por coronavirus. | Ante a situación causada pola extensión do coronavirus en residencias de maiores da Galiza, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu ao Goberno galego que rectifique con urxencia a súa xestión da crise en centros da terceira idade e que traslade a hospitais todas as persoas maiores usuarias de residencias que estean contaxiadas pola COVID-19, "porque existe capacidade para facelo e porque ese traslado supón unha mellor atención sanitaria", considerou a líder nacionalista este domingo, 19 de abril. Pontón aludiu á necesidade dos traslados a hospitais "porque en moitas residencias non é posíbel darlles a atención necesaria e, por tanto, é imprescindíbel que se axilicen as derivacións cara aos hospitais coa finalidade de garantir unha atención digna para as persoas maiores do noso país", explicou. Pontón foi moi crítica co que considera unha xestión "neglixente" por parte do Executivo do PP nas residencias "con consecuencias fatais" e acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "de mirar para outro lado pese a coñecer a situación de precariedade en moitos destes centros". "A Xunta sabía da situación de moitas das residencias porque así o denunciou o Consello de Contas nun informe pero, en lugar de actuar, a Xunta mirou para outro lado, e moito nos tememos que a reacción tardía e confusa que tivo nas residencias esconda eses vínculos entre o PP e os xestores desas residencias, antepoñendo os intereses das empresas privadas que xestionan eses centros por riba do interese xeral e das persoas residentes", denunciou Pontón. No contexto de crise e con os antecedentes denunciados no informe do Consello de Contas, a dirixente insta a Feixoo a dar explicacións no Parlamento pola súa xestión nas residencias. "Que máis ten que pasar para que o presidente da Xunta compareza no Parlamento para dar explicación sobre a xestión da crise do coronavirus nas residencias de maiores, moitas das cales soportaron e soportan unha situación crítica e dramática onde a Xunta non estivo á altura das circunstancias coas consecuencias por todas coñecidas", dixo. Pontón urxiu Feixoo a dar explicacións, "máxime cando a Fiscalía Superior da Galiza ten en marcha unha investigación ante unha xestión neglixente e que puxo en risco a vida das persoas internadas". "Nunha crise destas característica non se pode fuxir do control, do contraste e das críticas, nin das propostas que temos que facer as forzas políticas porque a sociedade galega precisa ver un Parlamento actuando e traballando e arrimando o ombro para saír desta grave crise", concluíu. |
NOS_51594 | O goberno de Syriza recoñecerá Ankara como 'país seguro' en sesión parlamentar o 30 de marzo. | A Unión Europea está a reaccionar con maior celeridade após a sinatura do acordo que prevé a deportación masiva de persoas refuxiadas que a respeito da xestión dos campamentos nos que moran, como Idomeni ou Calais, milleiros de persoas en condicións de precariedade. Após a entrada en vigor do texto, o 20 de marzo, o goberno grego converteu algúns dos centros de recepción de refuxiadas en centros de detención nos que se integran aquelas persoas suxeitas ás novas condicións. Isto é, aquelas que serán deportadas a Turquía após o goberno grego avale este territorio como país seguro. Grecia avalará na cuarta feira Turquía como 'país seguro' para iniciar as deportacións En contra do fixado polo dereito comunitario e internacional nestes espazos de detención están retidas máis dun cento de crianzas e as súas familias xunto con persoas que viaxan soas. Neste senso, a lexislación vixente impide que as menores poidan ser retidas e obriga os estados á súa escolarización. Algo que non está a acontecer en Grecia. O aval que o goberno de Syriza dará a Turquía para a recoñecer como 'país seguro' producirase en sesión parlamentar esta cuarta feira (30 de marzo) cando se desenvolva o debate e votación da trasposición ao ordenamento xurídico nacional do acordo. Previsibelmente as deportacións comezarán o vindeiro domingo (3 de abril) e embora non se confirmar oficialmente, todo apunta que atinxirán para alén das máis de mil persoas refuxiadas e migrantes que chegaron ás illas gregas após o 20 de marzo, tamén a aquelas --por volta de 50 mil-- localizadas en territorio continental. Así as cousas, estas persoas estarían suxeitas ao acordo asinado polo Consello europeo en setembro no que se prevía a súa acollida, segundo cotas, polos estados da Unión. Porén, das 120 mil persoas que se comprometeron a reasentar, apenas o foron 937 segundo os dados da Comisión europea. Ningún Estado membro da UE enviou axuda humanitaria ou persoal médico a Grecia mais enviarán 2.500 funcionarios para tramitar as deportacións De acordo cas autoridades comunitarias cada solicitude de asilo será estudada de maneira individualizada para o que unha vintena de estados membros da UE, entre eles o español, ofreceron o envío dun total de 2.500 funcionarios encargados de tramitar as deportacións. Até o de agora, ningún dos Estados membros da UE enviou axuda humanitaria ou persoal médico a Grecia malia as condicións nas que moran milleiros de persoas refuxiadas. Destarte, múltiples iniciativas populares están a agromar na Galiza para recoller roupa, medicamentos e comida que serán enviados a Idomeni. Neste campo, situado na fronteira entre Grecia e Mecedonia, residen desde hai meses por volta de 12 mil persoas, moitas delas crianzas, en condicións de insalubridade. |
PRAZA_11487 | Vítimas galegas relatan a represión, o espolio e a dor provocada pola ditadura convidados polo Grupo de Memoria Histórica da Eurocámara, que chama a "europeizar as políticas españolas memorialísticas" e advirte de que Europa terá "algo que dicir" | Este 20 de novembro, no 44º cabodano da morte do ditador Franco, e poucos días despois da importante irrupción da extrema dereita no Congreso dos Deputados, o Parlamento Europeo acolleu unhas xornadas sobre o Franquismo sen Franco. O Grupo de Memoria Histórica da Eurocámara, conformado por deputados de grupos da Esquerda, Alianza Libre Europea, Socialista e Liberal, deu un paso máis no seu intento de "europeizar as políticas españolas de memoria" e deitar luz sobre a "excepcionalidade" de España no contexto comunitario por non cumprir cos "estándares democráticos" en canto á reparación das vítimas ou polos "vínculos" que a democracia aínda mantén cos "restos da ditadura".Unha vez máis, vítimas, asociacións de memoria ou políticos agárranse á UE para que remate coa "excepción" de que España sexa o único Estado da UE que "non puido xulgar a súa ditadura, os seus crimes e os seus criminais". Así o lembraron os deputados Izaskun Bilbao (PNV), Miguel Urban (Podemos), Clara Aguilera (PSOE) e mais Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa, que forma parte dun grupo no que non hai representantes nin do PP, nin de Ciudadanos, "nin por suposto de Vox".A xornada, impulsada polo Grupo de Memoria Histórica da Eurocámara, encádrase na vontade de "europeizar as políticas españolas de memoria", tamén acudindo á axuda comunitaria para labores como a busca de foxasEles presentaron unhas xornadas que contaron na Eurocámara con importantes testemuños de vítimas e asociacións galegas que ergueron en Bruxelas a súa voz para reclamar tamén que España cumpra coas resolucións da ONU e que, como lembraron os deputados, se apoie na UE no caso de querer teimar no seu desleixo. Porque mentres a Comisión Europea "ten programas para a recuperación de vítimas de desaparicións forzosas que inclúen achegas económicas, como o que leva a cabo en Chipre", ou axudas para colaborar na busca de foxas, o Estado non só non as leva a cabo de seu, senón que non as solicita a Europa. "A UE está disposta pero agarda que as institucións españolas demanden esa colaboración", explica o Grupo de Memoria Histórica, do que tamén forma parte Diana Riba, de ERC, que abriu o acto. Entre os casos de espolio analizados na xornada destaca a do Pazo de Meirás, debullado polo investigador Carlos BabíoEntre as denuncias, tamén a do "espolio" cometido polo franquismo, co Pazo de Meirás como maior símbolo. O seu caso, e outros moitos de represión, foron explicitados polos galegos que participaron nas xornadas que son parte da intención do Grupo de Memoria de implicar parlamentos nacionais doutros Estados, europarlamentarios e institucións comunitarias para lograr a "normalidade democrática". Esa da que España, que recoñeceu á Comisión de Peticións a "desprotección xudicial" das vítimas, carece no ámbito comunitario.Carlos Babío, investigador e autor da obra Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, foi algúns dos que deitou luz sobre os abusos cometidos polo franquismo, explicando na Eurocámara como Franco se fixo irregularmente con esta propiedade e que tipo de artimañas empregou para que a súa familia manteña aínda no seu poder as Torres, agora reclamadas polo Estado a través dunha denuncia.O presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36 explicou na Eurocámara a súa loita por coñecer a verdade da represión que sufriu a súa propia familiaAntes, Telmo Comesaña, presidente da Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36, explicou tamén o seu caso, o dun home fillo de asasinado que leva máis de 80 anos reclamando xustiza e que se coñeza o verdade da brutal represión que el mesmo viviu na súa familia e que o impulsa a seguir denunciando aquel "horror". "Sexan conscientes de que non se cumpre a Constitución, nin as leis de memoria e que en España vulnéranse os dereitos humanos", dixo quen amosou a súa especial decepción cunha "Transición que foi unha transacción" e coa actitude "do PSOE" en todo o que ten que ver coa reparación das vítimas e co mantemento de simboloxía fascista.Manuel Monge, destacado activista e membro da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, aclarou todos os restos do franquismo que se manteñen na actualidade, xa non só no rueiro, homenaxes e simboloxía, senón no Exército ou na xudicatura. Por outra banda, María Lores, neta dun represaliado –Aurelio Torres Pacheco-- centrouse no "silencio íntimo e resistente" de moitas mulleres ou do sufrimento engadido dos 20.000 orfos que lembrara Comesaña e que, tan só en Galicia, provocaron os asasinatos do fascismo. "Temos memoria porque queremos tela e temos dereito", advertiu.Persoas que estiveron presas na ditadura subliñaron en Bruxelas a impunidade de torturadores como 'Billy el Niño'Ademais, Sol Luque, presidenta da asociación Todos los Niños Robados son también mis Niños explicou o drama desa realidade que afectou milleiros de familias e pequenos, mentres que Juan Miguel Baquero, xornalista e investigador, centrouse no espolio económico e nos beneficios, nunca reclamados, que importantes empresas obtiveron grazas ao réxime franquista e á colaboración e negocio levado a cabo coa ditadura a costa tamén de milleiros de represaliados.O vigués Miguel Ángel Gómez e Rosa García, da Comuna ex-presos e presas represaliadas polo franquismo, relataron con emoción e duros detalles as prácticas de tortura nos últimos anos do franquismo. Tamén destacaron a impunidade daqueles delitos provocada, denuncian, pola Lei de Amnistía e a Transición ou o que supón que un dos maiores torturadores, Billy el Niño, manteña honras polo seu labor policial."Esta é a impunidade do franquismo e con impunidade non hai democracia plena… E isto non é unha cuestión de pasado, senón do presente para construír o futuro"Ante toda esta situación, hai anos que se abriu na Arxentina unha pequena esperanza para estas pesoas e milleiros máis que piden que se "faga xustiza". Á querela presentada no país suramericano uníronse moitos galegos. Jana Calero e Irene Álvarez, do Grupo de Abogados Jóvenes de Vigo, colaboran con este proceso reunindo demandas de vítimas de Galicia e axudando os seus impulsores para "colaborar co esclarexamento da verdade" e na loita "contra a impunidade xudicial do Estado español". "É vergonzoso", insistiron sobre a inacción do Goberno e do sistema xudicial. "Sabemos que Europa ten algo que dicir ante isto", advertiron os deputados que forman parte do Grupo de Memoria Histórica da Eurocámara, que prometeron continuar no traballo para "europeizar" as demandas das vítimas, a verdade e a "excepcionalidade" dun Estado que nin repara nin colabora con quen sufriu a ditadura. "Esta é a impunidade do franquismo e con impunidade non hai democracia plena… E isto non é unha cuestión de pasado, senón do presente para construír o futuro", remataron tras advertir de que as medidas "son máis necesarias ca nunca" polo ascenso da ultradereita. |
NOS_35488 | Adrián ou Jose son dous dos mariñeiros do cerco que se manifestaron na rúa do Hórreo. As cargas policiais ocuparon o espazo mediático mais as reivindicacións do sector son claras: "metéronnos a fame na casa e agora o que nos queda é responder". A desesperación de perto de 2.000 familias lembra que tras dos protestos hai unha situación límite para armadores e mariñeiros. | Na rúa do Hórreo esta terza feira amoreábanse centos de historias das perto de 2.000 persoas atinxidas por un reparto de cotas para a xarda e o xurelo que os mariñeiros do cerco tildan de "inxustas". Tripulantes de moitas das 160 embarcacións que conforman a frota galega desta arte pesqueira congregáronse ás portas do Parlamento para exixiren "a demisión da conselleira" mais tamén "o compromiso do presidente da Xunta" de Galiza para defender en Madrid os intereses dos cerqueiros galegos. "Só queremos ir ao mar", contaban os manifestantes a Sermos Galiza horas antes de se producir as cargas policiais. "Os ánimos están moi quentes porque levamos 4 meses sen ir ao mar". Con crianzas, hipotecas e toda unha vida por diante moitos mariñeiros preguntábanse face a ringleira de antidisturbios como ían sacar adiante as súas familias. "Metéronnos a fame na casa e agora o que nos queda é responder", sinalaba en conversa con este medio Jose, un dos mariñeiros vindos da costa sur do país, a respeito do endurecemento das protestas. "Até o de agora non nos fixeron caso, até que a liamos en Vigo", conta outro, "ou facemos isto ou ninguén nos escoita". E o certo é que a frota do cerco galega leva meses exixindo un cambio de rumo no reparto das cotas que Europa impón e Madrid executa. Do total da cota estatal de xarda, por exemplo, Galiza fica no reparto por embarcación co 24,8%, embora ter a maior frota do noroeste peninsular. En troca, Euskadi conta co 48,11% e menos da metade dos barcos. Adrián, 24 anos: "Só sei ir ao mar e agora quítanme o futuro" "Na miña zona, na norte de Galiza xa cubrimos a cota de xurelo [10 mil quilos]", explica Adrián Campaña de Camariñas. Isto supón que "non podemos andar máis ao xurelo en todo o ano, e estamos a marzo". Da cabala, outro tanto do mesmo. "O único que pedimos é un reparto para todos igual, lineal, o que non pode ser é que un barco basco teña máis que 15 galegos, iso é intolerábel". Adrián fala dun caso concreto na costa basca en que un cerqueiro concentra unha cota igual que a de toda a frota de Portosín. "A onde imos?". Adrián leva no mar "desde os 15 anos" e ten 24. "Eu non teño estudos, só mariñeiro-pescador, o que me queda é andar ao mar", conta, "agora, do pouco que sei que é ir ao mar, quítanme o futuro" pois está certo de que "o armador" do seu barco "non pode facer nada se non lle deixan pescar". Son 10 tripulantes. Todos de Camariñas. "Levo desde os 15 anos indo ao mar e agora róubanme o futuro" Para el unha boa solución ao que está acontecer pasa por que "Arias Cañete" e mesmo a conselleira de Pesca, Rosa Quintana, "veñan un día, con golpes de mar, probaren" unha xornada de traballo coma as de calquera dos mariñeiros. "Non lles iamos facer traballar, só estaren na cuberta", sinala. A simple experiencia faríalles entender moitas cousas, segundo explica este mariñeiro. A Xunta non fai nada Coma el, tantos outros concentrábanse perante o Pazo do Hórreo á espera de que a Xunta de Galiza, através do presidente Alberto Núñez Feijóo, se comprometese a defender os intereses do cerco en Madrid pois do contrario "vannos matar de fame". Quen así fala é un dos tripulantes do Columa. Coma a práctica totalidade dos cerqueiros asegura que con estas cotas [aprobadas froito do reparto individual por embarcación e pre-fixadas de acordo cos históricos de captura] "non podemos traballar". O seu compañeiro, acarón del, acrecenta que é a UE quen prexudica o Estado español, mais é "España quen prexudica o sector galego, cántabro e astur" fronte "os bascos". "A UE prexudica o Estado e España prexudica o sector galego" A situación tornouse límite ante a inacción do goberno galego que, din, continúa a non facer nada por defender os intereses da frota galega. Até o momento, ningún membro do executivo de Alberto Núñez Feijóo se reuniu cos mariñeiros e a "indignación", mais tamén a carraxe, acenden os ánimos. "Somos máis de 2.000 familias en toda Galiza, iso só, as directas", explica un dos mariñeiros chegados de Portosín. Para alén das familias cerqueiras están "as redeiras, as conserveiras e mesmo os bares" que dependen do cerco para manteren a súa actividade. Á espera de que o goberno galego mude de actitude e presione a Madrid para garantir un outro reparto das cotas, "sostíbel" e "xusto", os mariñeiros da frota do cerco din que non recuarán e manterán a presión na rúa. Polo de agora, o acontecido esta terza feira nas rúas de Compostela deixa claro que os cerqueiros non achantarán, embora a resposta que reciban dos gobernos español e galego estea na man dos antidisturbios. |
NOS_44181 | Persoal médico e de enfermaría lamenta que non fosen sometidos ao test antes de realizar este traballo epidemiolóxico cos pacientes. | O estudo epidemiolóxico para coñecer a incidencia do COVID-19 na poboación da Galiza empezou esta quinta feira co "enfado" de persoal de enfermaría e médicos de Atención Primaria pola falta de "información pormenorizada" e de medios en centros de saúde, que farán os test para este traballo. Así o trasladaron a Europa Press fontes destes colectivos sanitarios de Galiza, que comentaron que hoxe o persoal de enfermaría comezou a chamar aos pacientes escollidos ao chou para o estudo, aos que se fai unha enquisa sobre se tiveron síntomas compaíbeis co coronavirus e citáronos para a extracción. "A xente está a responder ben", comentaron. Nalgún centro de saúde prepáranse, mesmo, coa colocación dunha carpa no exterior para a recollida de mostras. En relación ao arranque deste estudo, apuntaron "erros informáticos", que impediron gardar enquisas nalgúns casos, e a ausencia (a media mañá) de test para comezar a sexta feira as extraccións en centros de saúde, todo iso atribuído "ás présas". Por iso, apuntan "incerteza" para comezar as probas. Precipitación A responsábel de Satse na Galiza, Carmen García, subliñou, en declaracións a Europa Press, que o persoal de enfermaría de Atención Primaria "non foi informado pormenorizadamente" sobre a realización do estudo. "Están a facelo de forma precipitada", criticou, para lamentar que "non se informou coa antelación necesaria". Ao "enfado" das enfermeiras súmase o de persoal facultativo porque, explicou a Europa Press o vicepresidente do Colexio de Médicos de Pontevedra, Manuel Rodríguez Piñeiro, iníciase este estudo, co que "están de acordo", recalcou, "sen facer test ao persoal sanitario" previamente. "É un estudo sobre a prevalencia na poboación e non sabemos (o persoal) se somos portadores (do virus)", afirmou o doutor Rodríguez, responsábel da área de primaria da entidade colexial pontevedresa, quen defendeu que "primeiro" se debería "facer un estudo sobre o persoal sanitario". Ademais, en relación aos medios dispoñibles, Manuel Rodríguez comentou que "unha porcentaxe bastante alta" de centros de saúde "non ten medios suficientes". "A xente está disposta a render máis do que pode", concluíu. |
NOS_1166 | O "pasaporte de inmunidade" entrégase, entre outras, ás persoas con presenza de anticorpos no sangue, aínda que desde a OMS salientan que isto non significa que sexan inmunes á doenza. | O Ministerio de Saúde de Chile iniciou nesta segunda feira, 20 de abril, o reparto do chamado "Carné COVID-19", que permitirá identificar as persoas que superen a enfermidade ou estean inmunizadas ante o coronavirus. O "pasaporte de inmunidade" entrégase ás persoas que superasen a enfermidade 14 días despois de mostrar os primeiros síntomas. Tamén ás que foron dadas de alta aínda con síntomas unha semana despois da súa saída do hospital, segundo explicou o ministro de Saúde, Jaime Mañalich. Tamén poderán solicitar a identificación as persoas que pasaron o virus de forma asintomática tras estaren en contacto con enfermos de coronavirus, como o persoal sanitario. Para isto será necesario detectar a presenza de anticorpos no sangue mediante unha proba. Os pacientes cos sistema inmunolóxico comprometido, como os pacientes con cancro, terán que esperar 28 días sen síntomas para solicitar o pasaporte. E os traballadores sanitarios serán avaliados cada 15 días para poder presentar unha solicitude. Dúbidas Mañalich sinalou que, a través deste pasaporte, o Goberno identificaría persoas que "con altísima probabilidade" xa tiveron o virus e non son capaces de transmitilo a outros. As autoridades sanitarias teñen "que tomar decisións que se basean en probabilidades que se achegan a unha certeza", afirmou. Preguntado en conferencia de prensa por este "carné COVID-19", o director de emerxencias da OMS, Mike Ryan, advertiu que, polo momento, a evidencia non demostrou que unha persoa que dea positivo en anticorpos do coronavirus desenvolva unha inmunidade ante a enfermidade. Outra das preocupacións que se manifestaron en Chile a respecto deste pasaporte é que se xere un mercado negro. |
QUEPASA_834 | Na Costa da Morte as únicas zonas que quedarían excluídas da extracción de mexilla serían na zona da Barca (Muxía) e na zona do Roncudo. | Non houbo acordo. Esta tarde reuníanse as confrarías da provincia da Coruña en Muxía, e as de Pontevedra no sur do país, para analizar a proposta da Xunta de Galicia para mediar entre confrarías (nomeadamente percebeir@s) e bateeiros. Todo nun momento de "alta tensión como se comprobaba esta semana en lugares como Muxía ou Coruña. Un problema que leva máis dun ano enriba da mesa pero a Consellería do Mar leva estirando ante a presión do lobby bateeiro, o único absolutamente libre de ir onde queira a extraer a súa semente, sen necesidade de facer un control de peso nin de número de traballadores. Hoxe, a Xunta propuña un acordo que incluía, para os bateeiros, a prórroga excepcional de extracción da cría do mexillón durante o mes de xuño (xa o mes de maio foi ampliado este ano), ademais de outras medidas extraordinarias xa postas en marcha este ano como son a opción de ampliar en 50 máis o número de cordas colectoras de mexilla en cada batea e a posibilidade extraela no interior dos espazos portuarios. A única proposta pensada para para as confrarías é a exclusión da extracción de mexilla en 16 zonas que suman un total de 50 dos 1.673 quilómetros das costas da Coruña e Pontevedra e que son sensibles para a extracción de percebe. Na Costa da Morte as únicas zonas que quedarían excluídas da extracción de mexilla serían na zona da Barca (Muxía) e na zona do Roncudo. A reunión celebrada en Muxía deixou clara a rotunda posición das confrarías, rexeitando a "ridícula" proposta da Xunta. Estiveron presentes Ferrol, Mera, Lorbé, Sada, Ares, Caión, Aguiño, Corme, Laxe, Camelle e Muxía, ademais do Presidente da Federación Galega e o da Coruña. "A proposta da Conselleira foi feita para saír do paso", responden con rotundidade, deixando claro que cada pósito vai preparar un mapeo da súa costa sinalando que zonas teñen que ser excluídas da mexilla, para unificalas nun documento que poderá saír da posible reunión que terán o vindeiro venres en Santiago coas Federacións de toda Galicia. O patron maior de Camelle na reunión Agradecemento político Precisamente o presidente dos Percebeiros de Muxía, Toñico Haz, facía entrega a carta de agradecimiento á representante do PP local, Sandra Vilela, en agradecemento pola súa disposición de colaboración, como fixo tamén co alcalde, o socialista Iago Toba, e como fará este mércores coa representante do BNG. |
PRAZA_608 | A acción de María Xesús Neira, presidenta do comité de empresa, e os seus dous compañeiros, supera xa a semana, na que perderon entre 7 e 9 quilos. Un celador incorporouse este luns á folga de fame en protesta polos 13 despedimentos decididos polo hospital | Os tres traballadores de Povisa en folga de fame en protesta polos despedimentos decidios polo hospital privado superaron xa a súa primeira semana. Un tempo no que a empresa fixo efectivas as rescisións de contrato anunciadas e no que outro traballador se uniu, este mesmo luns, á acción reivindicativa, converténdose no cuarto folguista de fame. A protesta dos empregados de Povisa non está sendo doada. Á dureza propia da acción, que xa lles provocou unha perda de peso de entre 7 e 9 quilos, únense as "presións" exercidas pola dirección do hospital, segundo denunciou en rolda de prensa a presidenta do comité de empresa, María Xesús Neira, da CIG. Neira, unha das persoas en folga de fame, sinala que a dirección da empresa deulle orde por escrito ao servizo de seguridade "para que acendan e apaguen as luces da zona onde dormen cada media hora durante toda a noite". Deste xeito, engade, "á debilidade por falta de alimentación súmase a imposibilidade de descansar, o que está a poñer en risco a saúde das tres traballadoras". "Facemos responsábeis á empresa, ao Sergas e á Xunta do que nos poida acontecer, porque seguen a mirar cara ao outro lado", dixo. En calquera caso, Neira reiterou que "non abandonarán" a folga ata que Povisa non dea marcha atrás aos 13 despedimentos "e cambie a situación que padecemos dende hai seis anos, con despidos constantes, reducións de xornada e de salarios, presións e ameazas". María Xesús Neira, Carmen Couto, Eduardo Davila e Alejandro Villar (que se uniu este luns á protesta) continuarán pois coa súa acción. "Aguantaremos ata que nos collan con pinzas, non imos ceder", sinalou Neira. A presidenta do Comité de Empresa criticou a cobertura que do conflito están a realizas algúns medios de comunicación, en especial a TVG, á que acusou de "manipulación" e de "silenciar" o que está a acontecer "porque está ao servizo de Feijóo". Puxo como exemplo o feito de que un conflito laboral coma o de Povisa "ten moito menos espazo que a presenza en Vigo do actor Mario Casas ou o incendio do iate do futbolista Míchel Salgado". Tamén criticou a actitude do alcalde de Vigo, Abel Caballero, ao que acusan "de nin sequera terlles respondido ás peticións para manter unha xuntanza". CIG-Saúde, a través da sua secretaria xeral María Xosé Abuín, denuncia que "a intransixencia de Povisa no conflito" está "avalada pola consellaría de Sanidade" Pola súa banda, CIG-Saúde, a través da sua secretaria xeral María Xosé Abuín, denuncia que "a intransixencia de Povisa no conflito" está "avalada pola consellaría de Sanidade", que "nin obriga á empresa a dar unha solución a este conflito, nin lle exixe que deixe de despedir persoal para manter unha ratio traballador doente que garanta unha boa calidade na asistencia". Abuín exixe da consellaría de Sanidade "a súa inmediata intervención neste conflito" porque "de non facelo o que está é posicionándose do lado dos intereses económicos de Povisa e non dos intereses sanitarios da poboación e dos laborais do persoal". "Á consellaría de Sanidade non lle importa a vida das persoas", conclúe. Os e as traballadoras de Povisa continuarán ademais coa campaña de mobilizacións e de información que desenvolven de xeito paralelo á folga de fame. De feito, para este martes teñen convocada unha vixilia nocturna ás portas de Povisa a partir das 20 horas. Animan a toda a cidadanía a acudir á protesta con velas en sinal de solidariedade e en defensa do emprego e da calidade asistencial no centro médico. |
NOS_6840 | Faro Villalbés foi un xornal quincenal e de ideario republicano. Publicouse en dúas etapas: a primeira entre o vinte e dous de xaneiro de 1932 e o trinta e un de decembro de 1934. O periódico foi sempre defensor da autonomía de Galiza, mais cunha clara estratexia de subordinación ao sector republicano liderado por Casares Quiroga. Publicábase en español con algunha colaboración en galego, case sempre de Carmiña Prieto Rouco, muller que animou moitas veladas teatrais e literarias en Vilalba e que tamén escrebeu en español, entre outras cousas poemas laudatorios de Franco e dos mariños do Baleares. | No seu número cuarenta e seis, de doce de marzo de 1934, apareceu publicada unha versión para italiano da Cántiga de Curros traducida por Guido Batelli e que fora previamente publicada no número cento e dezanove, novembro de 1933, da revista Nós. Non nos consta que, alén de Nós e Faro Villalbés, o poema de Curros fose publicado noutros xornais. Tampouco sabemos as motivacións de Faro Villalbés para publicar a versión en italiano pois non hai ningunha aclaración da razón desa tradución. Guido Battelli naceu en Sarzana, na rexión de Xénova, en 1869. En abril de 1930 é contratado para impartir docencia da disciplina de Historia da Literatura Italiana na Faculdade de Letras da Universidade de Coimbra. Axiña entra en contacto con Florbela Espanca, tornándose responsábel pola tradución para italiano de grande parte da obra da poeta. Tamén aquí lle chegou o interese polo galego. Batelli deu a coñecer en Italia diversos autores galegos, especialmente a través de dous xornais: Stampa de Turín e Il Corriere de la Sera de Milán. Os críticos das súas versións afirman que era un bon tradutor mais un mal poeta, polo que os textos traducidos estaban lonxe da forza expresiva dos orixinais. |
NOS_25874 | Milleiros de pontevedres@s e visitantes mergúllanse todo o día na XIII edición da Feira Franca, o broche de ouro perfeito para o verán galego | Cultura, festa, patrimonio, historia, convivencia... Pontevedra é nesta fin de semana o epicentro de todo o que non hai que perderse. A cidade do Lérez leva xa trece anos de Feira Franca, un evento nado no ano 2.000 para conmemorar o privilexio que Henrique IV concedera aló polo 1467 a Pontevedra e que é hoxe en día é un fenómeno incomparábel, en boa medida grazas á implicación directa dos e das pontevendresas en actividades, vestiarios, programación... A tardiña da sexta os pregoeiros a cabalo pasaron polo centro histórico anunciando o incio da XIII Feira Franca, centrada nesta edición nos xogos populares. Foi o punto de partida para máis de 24 horas de obradoiros, espectáculos, pasarrúas, mercado, música, teatro, xogos populares, cetraría, xustas medievais... e mil cousas máis. A zona vella pontevedresa transfórmase naquela vila do século XV que, grazas á concesión da Feira Franca (trinta días de feira exenta de tributos e impostos reais), fora centro comercial da Galiza. Envexa san Son milleiros as persoas que se mergullan nas actividades e que viven a Feira Franca desde dentro. Son ducias os colectivos e asociacións que se implican na súa organización e desenvolvemento, que se canaliza a través do Concello aberto. Aquela aposta de hai trece anos do goberno muncipal nacionalista callou hoxe en día nunha realidade que xera envexa (sa, claro) no resto da Galiza. A gozar! O tempo acompañou á Feira, coma case sempre, e as rúas do casco histórico de Pontevedra son un formigueiro no que se misturan labreg@s, nobres, cabaleiros, artesás e xuglares. Non ir vestido acorde aquela época non impide gozar da Feira Franca, mais, sinceramente, non é o mesmo. Percorrer as rúas históricas entre postos de artesanía, mostras de oficios (ferreiros, cesteiros...), tabernas, música é, unha gozada. Pódense pasar horas simplemente paseando por estas rúas e mirando (e escoitando). Un programa cheo de actividades, e disposto a non dar tregua a veciñ@s e visitantes, éo alicerce sobre o que os e as participantes (re)viven unha época de explendor comercial para Pontevedra, cando o ribeiro e a sardiña facían desta vila o lugar onde todo o mundo quería estar. Igualiño que agora, seis séculos despois, coa Feira Franca: Todo o mundo quere estar. |
NOS_5410 | Ana de Armas métese na pel de Marilyn dunha maneira asombrosa. Tiña o prexuízo de que ía ver a actriz cubana "disfrazada" de Marilyn... pero non. Apenas pasan os primeiros minutos e consegue que deixemos de ver a actriz e percibamos a personaxe. | Antes de lanzarse a ver Blonde sería oportuno lembrar que non se trata dun biopic sobre a vida de Norma Jean Baker, é dicir, Marilyn Monroe, senón dunha adaptación da novela homónima da novelista norteamericana Joyce Carol Oates que, a súa vez, é dunha ficción biográfica. Para nos entender: non é unha representación fidedigna da vida de Marilyn. Sabendo isto aforraremos moitos desgustos... non todos, pero moitos si. De feito, a de Dominik non é a primeira adaptación desta novela: en 2001, a CBS xa emitiu unha miniserie baseándose no best-seller de Oates. Blonde / Andrew Dominik /EUA / 2022 / 166 min. O filme parte da infancia de Norma Jean até a fatídica morte de Marilyn, tratando de comprender os motivos da mesma a través dunha serie de sucesos que marcaron o seu carácter: a enfermidade da súa nai, o vertixinoso ascenso á fama, a imaxe de muller obxecto, as súas parellas, a imposibilidade de ter fillos e, sobre todo, a ausencia dunha figura paterna. De feito, practicamente o eixo do filme céntrase na procura do pai ausente, ausencia que tratará de suplir cos seus maridos e amantes. Ana de Armas métese na pel de Marilyn dunha maneira asombrosa. Tiña o prexuízo de que ía ver a actriz cubana "disfrazada" de Marilyn... pero non. Apenas pasan os primeiros minutos e consegue que deixemos de ver a actriz e percibamos a personaxe. Hai unha nomeación a Óscar asegurada aquí. Outra será, fixo, para a actriz infantil Lily Fisher que interpreta a Norma Jean de nena. Impresionante como aguanta plano na cantidade de secuencias potentes e controvertidas que lle tocaron por guión. Nada que obxectar ao resto do elenco. Máis que correcto. Agradécese tamén que Dominik aposte por unha realización creativa, tanto a nivel narrativo como técnico. Formatos, cores, tons, branco e negro, cámaras a ombro, a corpo, travellings, primeiros planos, xerais, efectos visuais ben integrados... Un despregue digno de calquera escola de cinema e, por riba, non está feito ao chou, senón con sentido e bo gusto cinematográfico. Ana de Armas e a dirección sustentan practicamente todo o filme, pero as máis de dúas horas e media de dramón, porque é un tremendo dramón de principio a fin, fanse un tanto excesivas de soportar. Case como unha patada no baixo ventre. Vaia tea o que tivo que aturar Marilyn Monroe. Porque, malia as incongruencias históricas, licenzas de guión e mensaxes provida, disque a vida da "loira explosiva", aseguran, foi bastante peor da Marilyn fráxil e desequilibrada que mostra o filme. Para amantes dos dramas implacábeis. |
QUEPASA_762 | Agader confirmou o seu apoio para levar esta iniciativa a outros 10 concellos da Costa da Morte. | Presentou onte o Concello de Camariñas o proxecto "Camariñas Explora". Un espazo na rede para poñer en 20 rutas de sendeirismo. Trátase dunha interesante iniciativa de dinamización turística vinculada ao deporte, que serve para situarse como destino seguro, e para poñer en valor os máis de 220 km que o concello ten de extrema natureza para gozar do sendeirismo, o running ou o ciclismo. Todas as rutas poderán seguirse no móbil. Para iso, habilitouse un perfil na aplicación Wikiloc, que utilizan case 8 millóns de usuarios e na que comparten máis de 22,8 millóns de rutas. A través do perfil 'Camariñas explora', calquera usuario accederá ás rutas e poderá seguilas de xeito totalmente gratuíto. Ademais, antes de iniciar o percorrido poderá ler unha pequena descrición do recorrido así como comprobar os datos técnicos do mesmo como a lonxitude ou o perfil altimétrico. Todas as rutas inclúen unhas recomendacións para desfrutar de cada actividade. O traballo complementouse co deseño dun folleto e dun adhesivo que se distribuirá en diferentes localizacións r que incluirá un código QR para poder acceder á aplicación. Ademais, cada ruta conta cunha ficha técnica que incluirá a información necesaria para planificar a actividade seleccionada. Aposta polo turismo deportivo A rexedora incidiu en que "na época que estamos a vivir o turismo deportivo está a gañar cada vez máis adeptos" e "en Camariñas penso que temos todos os ingredientes necesarios para crear unha experiencia turística e deportiva completa". "Facer unha ruta de sendeirismo polo litoral, coa fermosa vista do Faro Vilán guiando o camiño e o bater da olas inundando os nosos oídos é algo que non todos poden ofrecer", agregou. Fabián Canosa explicou que "pretendemos poñer en valor a actividade física e deportiva, o desfrute e coidado do medio natural e do mesmo xeito dar unha opción máis de turismo no Concello de Camariñas" e enumerou as diferentes "rutas de sendeirismo, bicicleta e carreira pola contorna natural que nos proporcionan as parroquias de Camelle, Arou, Ponte do Porto, Xaviña e Camariñas. Camariñas Explora Os técnicos deportivos municipais deseñaron varios percorridos novos e incorporaron algúns sendeiros existentes, chegando finalmente ás 20 rutas que suman en total 220 quilómetros e que están dirixidas a diferentes tipos de usuarios e afeccionados de modalidades como o sendeirismo, o running ou o ciclismo. Wikiloc: "Camariñas Explora". Explora 20 En fase de traballo se atopa o proxecto Explora 10, unha vez que Agader comprometeu o seu apoio, un proxecto semellante ao camariñán pero que implicará a Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas. |
PRAZA_5886 | Os traballadores de Urbaser denuncian que a contratación de Tragsa "vulnera o dereito de folga". A empresa pública comezou este sábado a recoller residuos no centro da cidade, contratada polo Concello | Son días de tirapuxas en Lugo. Nin os empregados e empregadas de Urbaser nin a propia empresa se moven un centímetro das súas posicións. Por unha banda, os traballadores da recollida do lixo reiteraron este venres a súa negativa a cumprir uns servizos mínimos fixados polo Concello, que no centro da cidade durante o Arde Lucus son do 100%. Pola outra, a empresa tamén endurece a súa posición, sen asumir aínda as demandas salariais dos folguistas e, ademais, abríndolle un expediente por "falta grave" a todos os membros do comité de empresa, que se suma ao despedimento de doce persoas. No medio, o Concello, acusado polos traballadores de "parcial" e de favorecer os intereses da empresa, por ter fixado uns servizos mínimos considerados "abusivos" e por negociar coa empresa pública Tragsa a súa contratación para facer menos visibles no Arde Lucus os efectos da folga. Especulouse coa posibilidade de que Tragsa comezase a traballar na madrugada do xoves, véndose finalmente obrigada a adiar a súa acción até este sábado ao mediodía. Dous camións comezaron a realizar o traballo da concesionaria, ante as protestas dos traballadores, que tentaron impedir a acción de Tragsa, que finalmente, cun forte despregue policial, proseguiu a súa acción. Os sindicatos xa advertiron de que a contratación de Tragsa "vulnera clarísimamente o dereito de folga" e sinalaron o venres que "de confirmarse que Tragsa vén recoller o lixo, imos presentar denuncia diante da Fiscalía por vulneración do dereito á folga", anunciou Carme Antas, da CIG-Servizos de Lugo. Sinalan, ademais, que o Concello lle pagará 40 mil euros a Tragsa polo traballo destes días. Os sindicatos sinalaron o venres que "de confirmarse que Tragsa vén recoller o lixo, imos presentar denuncia diante da Fiscalía por vulneración do dereito á folga" O concelleiro Luis Alvarez defendeu que os gastos de Tragsa, cun tope de 50.000 euros, ampliables, serán descontados a Urbaser, e xustificou a acción nas alertas sanitarias da Xunta e nun informe dos bombeiros sobre o risco de incendios. La Voz de Galicia publicou que varios hosteleiros contrataron a algunhas persoas para que lles retirase o lixo das proximidades dos seus establecementos. O Xulgado denegou este venres a suspensión cautelar dos servizos mínimos do 100% impostos polo Concello, tal e como demandara o Comité de empresa nun recurso, sen pronunciarse sobre a súa posible ilegalidade ao aducir "falta de tempo para analizar a situación". O Concello de Lugo fixou uns servizos mínimos que se nas primeiras xornadas de folga se situaban entre o 50% e o 70% para os traballos de recollida de residuos, a partir deste venres se elevan até o 100% no centro da cidade (50% no resto). Porén, os e as traballadoras de Urbaser xa anunciaron que non cumprirán con estes servizos mínimos, que consideran "abusivos", pois destacan que uns servizos mínimos do 100% "vulneran o dereito de folga de calquera traballador". Dende os sindicatos asegúrase que se propuxo que en cada quenda saia un condutor para cumprir con "eses servizos esenciais que necesita a cidade, pero a dirección da empresa impídeo". A totalidade dos traballadores e traballadoras da concesionaria Urbaser está a secundar a folga indefinida en demanda dun convenio "digno", cun incremento salarial conforme coa suba do IPC, e tamén da readmisión de doce empregados, que foron despedidos. |
NOS_38583 | Extinguido outro en Rubiá, dentro do parque natural de Serra da Enciña da Lastra | Os medios de extinción controlaron o incendio forestal orixinado o sábado en Carballeda de Valdeorras (comarca de Valdeorras), tras arder unhas 200 hectáreas, mentres que quedou extinguido outro declarado no concello de Rubiá, tamén na mesma comarca. Segundo informou a Consellería do Medio Rural, o lume iniciado ás 16:35 horas do sábado na parroquia de Sobradelo, en Carballeda de Valdeorras, quedou controlado ás 22,37 horas deste domingo. As últimas estimacións sitúan a superficie afectada nunhas 200 hectáreas. Na súa extinción participaron até o momento un técnico, 25 axentes, 45 brigadas, 21 motobombas, dúas pás, oito avións e nove helicópteros. Por outra banda, o incendio declarado ás 20,54 horas do domingo na parroquia de Biobra en Rubiá quedou extinguido ás 22:58 horas da mesma xornada despois de queimar unhas 0,09 hectáreas dentro do parque natural de Serra da Enciña da Lastra, das cales 0,03 foron arborado e 0,06 de monte raso. Na súa extinción participaron tres axentes, seis brigadas, cinco motobombas, dous avións e tres helicópteros, concretou Medio Rural. |
PRAZA_19665 | O IGE clasifica os concellos en seis categorías en función do seu grao de urbanización, seguindo o estándar empregado por Eurostat. Esta semana ofreceu unha selección de indicadores demográficos, económicos e laborais para sinalar as diferenzas existentes entre uns ámbitos e outros. | Eurostat emprega dende hai anos un estándar para a clasificación do territorio en función do seu carácter urbano ou rural, con tres categorías: zonas densamente poboadas (ZDP), zonas intermedias (ZIP) e zonas pouco poboadas (ZPP) e seis subgraos, desagregándose a categoría ZIP en ZIP alta e baixa e a ZPP en ZPP alta, media e baixa. O IGE tamén usa esa metodoloxía para a ordenación de concellos e parroquias e vén de aplicar os principais indicadores demográficos, sociolaborais e económicos a esa clasificación, ofrecendo dunha ollada un panorama das diferenzas entre os espazos urbanos, vilegos e rurais de Galicia. Nesta clasificación 7 concellos son ZDP, 40 son ZIP alta e 26 ZIP baixa. O resto son zonas pouco poboadas (ZPP), subdivididos en alta (29), intermedia (31) e baixa (181). Nas zonas densamente poboadas (cidades), un 50% ou máis da poboación vive en conglomerados de alta densidade. Nas zonas intermedias (vilas e arredores), menos do 50% da poboación vive en celas rurais e menos do 50 % vive en conglomerados de alta densidade. Nas zonas pouco poboadas (áreas rurais), un 50% ou máis da poboación vive en celas rurais. O IGE define os conglomerados de alta densidade como celas de 1 km2 cunha densidade igual ou superior aos 1.500 hab./km2. As celas rurais son as celas da cuadrícula que están fóra dos conglomerados urbanos, definidos como celas de 1 km2 cunha densidade igual ou superior aos 300 hab./km2. As diferenzas son claras na demografía. As zonas densamente poboadas (as sete cidades) e concellos definidos como ZIP altas suman ao redor de 1.75 millóns de habitantes, gañando 127 mil dende o ano 1998, unha poboación que perden as localidades estritamente rurais. Os indicadores de idade media, porcentaxe de menores de 20 anos, de índice de envellecemento e a taxa de natalidade amosan grandes diferenzas entre os ámbitos urbanos e rurais, aínda que o envellecemento prodúcese en todas as zonas do país. Os concellos considerados ZIP alta son máis novos que as propias cidades. Na economía hai tamén grandes diferenzas. As zonas urbanas concentran a maior parte da riqueza do país (as ZDP e ZIP altas suman o 70% do valor engadido bruto) e nelas hai tamén máis empresas e pensións máis altas, cunha economía máis centrada nos servizos. As zonas rurais, pola contra, con taxas de paro menores, rexistran unha actividade do sector primario máis importante e máis traballadores por conta propia. |
NOS_54356 | Adega presentou unha demanda perante a fiscalía en prol dunha investigación "profunda e obxectiva" sobre os permisos para a actividade cinexética e a pesca fluvial outorgados entre 2009 e 2012. Di o colectivo ecoloxista que os feitos dos cales informou ao TSXG poderían constituír delitos vinculados á corrupción | Após presentar unha denuncia perante a fiscalía do Tribunal superior de xustiza de Galiza pola concesión de licencias de caza ilegais desde o Servizo de conservación da natureza da Coruña, a asociación ecoloxista Adega exixe a suspensión temporal da temporada cinexética. Así as cousas, a propia consellaría de Medio Ambiente --da cal depende a dirección xeral de Conservación-- recoñeceu o incumprimento da Lei 4/1997, en relación aos requerimentos que contempla para que opta por vez primeira a un permiso de caza. En concreto, emitíronse licenzas sen que o seu titular superase o chamado 'exame do cazador' nin pagase as taxas correspondentes. Admitiu tamén o departamento que encabezou Agustín Hernández durante o goberno Feijóo que se abriu un expediente a un traballador do Servizo de conservación da Coruña por estes feitos. Porén, Adega dubida da implicación dunha única persoa do cadro de persoal, pois "a complexidade do proceso administrativo para a obtención destas licenzas determina que neste participen, supervisen, examinen, certifiquen e tramiten as taxas distintos cargos", polo que reclama responsabilidades políticas. Aliás, e sabedora de que se emitiran licenzas ilegais, a Xunta seguiu adiante coa temporada de caza. Ao fío, o colectivo ecoloxista reclama da fiscalía unha investigación "profunda e obxectiva" en relación coa concesión de permisos para a caza e a pesca fluvial entre 2009 e 2012, período en que o persoal implicado veu desempeñando os seus cargos.Segundo detalla a denuncia presentada perante o TSXG, de se confirmar a información que manexa Adega, no Servizo de conservación da natureza da Coruña teríase cometido un delito de corrupción por parte de persoal público --prevaricación, trato de favor, suborno, malversación de caudais públicos e falsidade documental--, para alén dun delito ambiental por permitir a práctica da caza en situación ilegal; e doutro contra a seguridade pública por abrir a porta á tenza de armas de fogo obtendo o permiso en virtude desa licenza ilegal. A teima do PP en reformar a Lei de caza: un intento de abrir a vedaA Lei 4/1997, que Adega ve vulnerada, intentou mudala o PP na última lexislatura pondo riba da mesa un borrador cuxa elaboración custou 49 mil euros e que, en esencia, viña a ser o mesmo que a norma do 97, maquillada ao gusto do cazador e reducindo o papel da Xunta á simple tramitación de permisos. O texto finalmente nin chegou a entrar no Parlamento para o seu debate, pois a oposición social e do movemento ecoloxista conseguiu que a consellaría de Medio ambiente non o entendese como 'lei prioritaria'. Adega chegou a redactar unha contrarreforma ao entender que, de saír adiante a achega da Xunta, na práctica o que suporía sería entregar de facto a xestión da actividade cinexética á Federación galega de caza. Os prazos de cesión dos terreos para o aproveitamento cinexético situábanse en dez anos, falando mesmo de cesións indefinidas. Se a persoa titular non accedía, tería que afrontar os gastos de sinalización da finca. Os grupos ecoloxistas ficaban fóra dos comités provinciais e do comité nacional de caza, de onde tamén desaparecía a voz das universidades e d@s profesionais da investigación. Autorizábanse competicións fóra do periodo hábil, supondo na práctica poder cazar durante todo o ano; e abría espazos protexidos á libre declaración de explotacións cinexéticas comerciais de caza maior. En derradeiro, pretendía rebaixar até os 14 anos a idade mínima para a práctica desta actividade. |
NOS_10166 | O semanario en papel sairá do prelo esta cuarta feira e estará nos puntos de venda habitual a partir da quinta. | Máis un número de Sermos Galiza no forno. Desta volta as páxinas interiores contan coa análise e reflexións da autoría de Antón Losada, Teresa Moure, Alba Nogueira e Pilar García Negro. As súas opinións xiran arredor de diversos asuntos de actualidade. A escritora Teresa Moure debrúzase sobre a polémica suscitada polos chíos de Guillermo Zapata a partir da que afonda no politicamente incorrecto. "O insulto tem uma função benigna: permite afrouxar tensões que, doutro modo, resolver-se-iam com violência", afirma baixo o título A correção política: movimento transformador ou castração deliberada? Pola súa banda, o analista Antón Losada avalía a situación que atinxe o nacionalismo galego nun artigo intitulado Que queremos ser de grandes. "Quero poder votar unha opción que sexa nacionalista, se declare nacionalista e ofreza un proxecto nacionalista", sinala. A profesora universitaria Alba Nogueira acompaña coa súa sinatura o tema da semana no que afondamos na Negra sombra para as universidades públicas galegas. "A folla de ruta do Partido Popular coas universidades públicas está clara. Primeiro unha estratexia de degradación mediante a asfixia orzamentaria, o empeoramento das condicións laborais e a ausencia de renovación", explica Nogueira. Finalmente e como cada dúas semanas, a escritora e profesora Pilar García Negro asina Torcer a semántica, fabricar a realidade. "Afinal, aínda que as percentaxes de aprobadas-os son moi altas, non semella moi moderno pedagoxicamente facer depender o ingreso á universidade duns exames escritos máis que discutíbeis no seu plantexamento", sentencia. O número 151 estará disponíbel en versión PDF esta cuarta feira na nosa loxa e á venda nos puntos de venda habituais a partir da quinta. |
NOS_5378 | Como era esperado, os trabalhistas ganharam, os conservadores perderam, mas o grande vencedor das eleições municipais britânicas é um partido favorável ao Reino Unido abandonar a União Europeia | O eleitorado desferiu um duro golpe na coligação conservadora-liberal democrata e, em particular, no primeiro ministro David Cameron, inclinando-se por este partido, marginal até o estouro da crise financeira em 2008, ou pela oposição trabalhista. A campanha do UKIP (Partido da Independência do Reino Unido) centrou-se nos fantasmas que aparecem quando há sérios problemas económicos: a invasão de estrangeiros e a perda da identidade nacional. O UKIP não se cansou de proclamar aos quatro ventos que, com a atual relação de pertença à União Europeia, cerca de 27 milhões de pessoas iriam invadir as ilhas para se aproveitar da generosa cobertura social britânica. Estas cifras baseiam-se no facto de que, no dia 1 de janeiro de 2014, Roménia e Bulgária converter-se-ão em membros plenos da União Europeia, com completa liberdade de circulação para os seus cidadãos. Foi só depois da campanha que o líder do UKIP Nigel Farage reconheceu que as duas nações não se iriam mudar na sua totalidade e que – segundo as projeções partidárias baseadas no que ocorreu quando a Polónia ingressou na UE – a invasão seria de aproximadamente 400 mil pessoas. O esclarecimento já não importava mais. Insulares e amedrontados pela mais forte queda no nível de vida das últimas três décadas, muitos britânicos já tinham votado no UKIP. No contexto da crise atual – duas recessões desde 2010, estagnação e expectativas nulas para este ano -, a eleição de 2.300 conselheiros em 34 municípios, a maioria no Sul (à exceção de Londres) e na zona central da Inglaterra, era considerada como um termómetro da atualidade política. Os trabalhistas conseguiram 29% dos votos, os conservadores 25%, o UKIP 23% e os liberal democratas 14%. Num país dividido entre um norte trabalhista e um sul conservador, salvo pela capital, o líder trabalhista Ed Miliband destacou as vitórias obtidas em Hastings e outras zonas municipais do sul como prova de que pode triunfar nas eleições gerais. Para frear o UKIP, os conservadores apresentarão uma nova lei de imigração com fortes limitações para o acesso dos estrangeiros à saúde, à moradia e aos serviços sociais Os conservadores previam uma forte derrota, mas temiam um limite: a perda de 300 conselheiros. O fantasma apareceu com sobras: perderam mais de 320. O primeiro ministro David Cameron indicou que compreendia a frustração dos eleitores: "Entendo as razões pelas quais pessoas que nos apoiavam não nos apoiam agora. Vamos tomar as medidas necessárias para recuperar esse apoio", disse Cameron. A estratégia dos conservadores para lidar com o fenómeno UKIP é um endurecimento da política imigratória e europeia. No discurso à rainha da próxima semana, os conservadores apresentarão uma nova lei de imigração com fortes limitações para o acesso dos estrangeiros à saúde, à moradia e aos serviços sociais. Num movimento que deixará de cabelo em pé os seus parceiros europeus, Downing Street (sede do governo britânico) sugeriu que o primeiro ministro não se oporia a que um parlamentar conservador apresente um projeto de lei para a realização de um referendo, em 2017, sobre a permanência do Reino Unido na União Europeia. Os trabalhistas poderiam apoiar a nova lei anti-imigração de Cameron, com muito poucas objeções Nos dias que antecederam as eleições, os conservadores qualificaram os integrantes do UKIP como "palhaços, lunáticos e loucos". O líder do partido Nigel Farrage respondeu assim a esses epítetos: "Chamaram-nos de tudo. O mesmo establishment que arruinou o país. Agora terão que se acostumar ao facto de que somos uma presença permanente na paisagem política", afirmou ele, posicionando-se como o "outsider". A agenda partidária do UKIP tem todos os tópicos da direita dura. O partido independentista propõe um "divórcio amigável" com a União Europeia, adotando tratados especiais como os que têm a Noruega ou a Suíça, um congelamento da imigração, uma taxa de imposto única para toda a sociedade independentemente do nível de rendimento, duplicação do número de prisões e o aumento dos gastos com defesa. A pergunta é até onde toda esta agenda influirá não só entre os conservadores, mas também junto aos trabalhistas. Dadas as peculiaridades do sistema eleitoral britânico, que não é proporcional – o parlamento não reflete a quantidade de votos de cada partido, mas sim a quantidade de distritos eleitorais que cada partido conquista -, os trabalhistas precisam fincar um pé no Sul para ganhar uma maioria a nível nacional. Nas últimas semanas, adotaram uma agenda mais dura em questões de imigração e prevê-se que apoiarão com apenas algumas objeções o projeto da nova lei: a posição do trabalhismo sobre esse tema entre 1997 e 2010 é apontada como um fator de sua derrota nas últimas eleições. Como em outros países europeus, os ventos da crise estão a preparar o caminho para uma agenda de direita. Artigo tirado de Carta Maior. |
NOS_18830 | Alfonso Sánchez Izquierdo, director da CRTVG, puxo de manifesto no Parlamento que non se informou do premio José Couso a DefendeAGalega por unha decisión corporativa. Tachou de mentiras as denuncias de vetos e de manipulación no ente e avisou de consecuencias para as traballadoras e traballadores que difundan esas "mentiras" e para quen se faga eco delas. | O director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, cualificou de "falacias" as acusacións de vetos a artistas na televisión e a radio públicas galegas e alertou das consecuencias para as propias traballadoras e traballadores e medios que difundan esas "falacias" sobre o ente público galego. Na comisión parlamentaria da CRTVG celebrada esta cuarta feira no Parlamento Galego, o deputado Julio Torrado, do PSdeG, preguntou polo motivo de que o DefendeAGalega fose o único galardoado dos Premios José Couso á Liberdade de Prensa do que non se informase no medio público. Izquierdo afirmou que se debeu a unha decisión corporativa que responde á lóxica "dos que saben o que hai detrás dese ruído", en referencia ao colectivo que reivindica desde hai un ano coa iniciativa Venres Negros unha CRTVG pública e de calidade, fronte á manipulación e á precariedade. Izquierdo alertou de que "expandir falacias sobre os traballadores da CRTVG ten as súas consecuencias e o responsábel será quen as invente e quen se faga eco" Izquierdo menospreza o Colexio de Xornalistas O director da CRTVG deixou caer que o Colexio de Xornalistas, organizador do premio José Couso, expide "carnés de xornalista previo pago dunha cota", sen que sexa necesaria "formación regrada para xornalista". Cualificou este feito como "curioso" xa que asegurou, "non imaxino outra profesión na que alguén se erixa en faro da ortodoxia sen ter acreditados coñecementos". O que Izquierdo descoñece ou pasa por alto é a necesaria acreditación profesional para o carné, ademais de ser unha norma habitual nos colexios profesionais de xornalistas tamén fóra da Galiza. Sánchez Izquierdo tachou de falsas as acusacións de vetos a artistas nos medios públicos galegos. Referiuse en concreto á anulación dunha entrevista a cantante Ses rexeitando que fose por ningún veto. Aviso a navegantes Izquierdo criticou que dúas persoas da CRTVG fosen "nomeadas en público desde un escenario na entrega duns premios de música" e afirmou que "non se vai consentir que as mentiras deriven en agresións, por agora verbais, contra traballadores, neste caso traballadoras da CRTVG", incidiu Sánchez Izquierdo, que alertou que "expandir falacias sobre os traballadores da CRTVG ten as súas consecuencias e o responsábel será quen as invente e quen se faga eco". Coincide o seu aviso coas intervencións a favor de DefendeAGalega que se produciron en reiteradas ocasións na entrega dos premios da música Martín Códax, onde Jasper, vogalista de Nao, afirmou desde o escenario que "aproveitando que están Tania Lombao [xefa de programas da CRTVG] e María Solar [coordinadora de Cultura da CRTVG] traemos esta camisola que sei que non lle gusta á dirección da CRTVG", sinalou lucindo a camisola de DefendeAGalega e criticando o ente por non transmitir en directo a propia gala nin a da entrega dos Premios María Casares. |
NOS_19564 | O PP anuncia que estudará as propostas da oposición para a reconstrución. | O portavoz parlamentar do Partido Popular (PP), Pedro Puy, trasladou esta segunda feira, 31 de agosto, que na súa formación son conscientes de que a situación actual, coa pandemia, pode requirir "adaptar" as súas políticas, mais incidiu en que as urnas avalaron a folla de ruta do presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, nos últimos anos cunha nova maioría absoluta de 42 escanos. En rolda de prensa, Puy asegurou que o PP afronta o arranque desta XI lexislatura, marcada pola Covid-19, "consciente da importancia do momento que vive" a Galiza. Argumentou que o país "demandou estabilidade e unión" nas eleccións galegas e remarcou que, á marxe de cumprir con estes preceptos, os populares son partidarios de "tender a man" ao diálogo co resto de forzas e fixar prioridades. A "dimensión" da crise sanitaria require "a achega de todos". Por iso, subliñou que a "predisposición ao pacto é evidente". Iso si, ante a condición que colocan BNG e PSdeG de que se poña fin aos recortes e privatizacións para poder alcanzar acordos, Puy remitiuse de novo ao resultado das urnas. Con todo, amosouse disposto a tratar as peticións do BNG e PSdeG para abordar a reconstrución da Galiza. "Estamos abertos a debater que mecanismo pode ser máis conveniente", apuntou Puy, sinalando que o debate de investidura "pode servir para iso". Segundo relatou Puy, unha das primeiras cuestións que defenderán no Parlamento os populares será a demanda de cambios lexislativos que permitan xestionar a pandemia sen recorrer á declaración de estado de alarma, que a Xunta adapte a programación do Xacobeo 2021 e que o Goberno español cumpra coa súa parte no financiamento en materia de dependencia. |
NOS_37397 | Nun acto de homenaxe a este político "fundamental na loita polos dereitos do pobo galego" pediron a inclusión do expediente dentro da Lei de Memoria Democrática para aclarar o contexto no que decorreu o ataque. | O BNG de Compostela lembrou esta cuarta feira á figura do último rexedor republicano da cidade, Ánxel Casal, cando se alcanzan os 85 anos desde o seu asasinato. Na homenaxe, o grupo político aproveitou para reclamar que o crime entre dentro da Lei de Memoria Democrática de maneira que se poida "esclarecer a verdade sobre o asasinato do político". A este respecto, nun acto no que participaron as edís do Bloque en Compostela, Goretti Sanmartín e Navia Rivas, destacouse que Casal foi "fundamental para o galeguismo previo ao Golpe de Estado, tanto a nivel político como cultural". De feito, enxalzouse como actor básico na "loita polos dereitos do pobo galego". Traballar na memoria Tamén ao fío da recuperación da memoria, as promotoras do acto instaron ao Goberno español a activar "a presentación da demanda para recuperar as estatuas do Mestre Mateo -Abraham e Isaac- que están en posesión da familia Franco e que poderían saír do patrimonio público de non actuar. Por outra parte, tanto ao lembrar ao alcalde como ao facer repaso do franquismo, puxeron de manifesto a "necesidade de que se produzan máis políticas públicas de memoria". Así, Sanmartín pediu ao Concello de Compostela que active a comisión da memoria impulsada polo BNG, que ten por diante traballos como a retirada da simboloxía franquista e a recuperación dos nomes daquelas persoas que padeceron a represión, como por exemplo a republicana Consuelo Otero Rial. A modo de homenaxe ao rexedor asasinado, tamén informou de que se intentará retomar o premio de literatura que levaba o seu nome. Pola súa parte, o historiador e escritor Carlos Babío -autor de obras como Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio- destacou a "loita social" como chave para incrementar a atención na memoria. |
NOS_29206 | A historia, quen a escribe, non soe ser neutral. Levanta uns e derruba outros, non certamente por capricho. Uns saen nos libros de historia e outros non. E Inés de Ben non saíu. | A X. M. Carril por nomear Inés de Ben. Fronte ás costas galegas móvense diariamente centenares de barcos e polo corredor de Fisterra transitan anualmente máis de 40.000. Civís e militares. De mercadorías ou de pasaxe. E tamén barcos de piratas, piratas modernos que golpean a costa de modo diferente a como o fixeron no pasado, mais piratas son, aínda que agora non asalten poboacións nin incendien igrexas. Do que xa non teño certeza é de que non leven escravos nas súas barrigas de dobre casco. Mais no pasado eran outros os visitantes, de outro tipo. E outros os obxectivos. Sabemos da presenza de viquingos, berberiscos, turcos, franceses, holandeses, ingleses e outros nas nosas costas, e ás veces tamén en terras ben máis ao interior. Tanta presenza de barcos, non sempre en visita amical, levou a que ao longo de toda a costa se establecesen postos de vixía que permitían un rápido sistema de alerta e, en caso necesario, de axuda a unha poboación ameazada. Domenico Laffi, o boloñés que por varias veces viaxou a Galiza, cóntanolo así: "No Monte Facho de Fisterra hai unha torre. E está feita para acender lume na súa parte alta [...] Co lume da citada torre fanse sinais ás vilas veciñas, que, dunha noutra, van pasando o aviso de perigo polo que, nunha hora, todo o Reino de Galiza está sobre aviso e acoden armados a aquel cabo para o defender". Isto di Domenico Laffi, no libro Viaggio in Ponente a San Giacomo di Galitia e Finisterrae ao falar do Facho de Fisterra. E como el di acoden de todas as partes porque todo o litoral galego está inzado de construcións defensivas ou de vixía cuxa lembranza permanece na toponimia a través de formas como O Facho, A Atalaia, A Garita, Centinela. Sarmiento cita uns cantos, entre eles, de norte a sul: Facho do Castelo de San Damián en Ribadeo; Garita da Vela, en Espasante; Garita do Limo, en Ortegal; Garita da Herbeira, en Santo André de Teixido; Monte Candieira, en Cedeira; Punta da Atalaia, en Caión; Monte Facho de Touriñán; Garita de Ribeira, entre Ribeira e Castiñeiras; Punta Vixía, no Morrazo; Punta Centinela, entre Silleiro e Mougás; Atalaia da Guarda. Claro que unha cousa é ter sistemas de alarma e outra capacidade defensiva. E esta debía ser menor, a xulgarmos polos resultados, pois os ataques piratas ás nosas costas foron constantes e as consecuencias para a poboación bastante negativas. De todos eles os que máis marcaron a memoria colectiva, quer por seren máis recentes quer por certa mitificación desenvolta ao seu redor, son os acontecidos no fin do século XVI e no comezo do XVII. Ingleses e turcos, respectivamente, tendo as rías da Coruña e Vigo como centro principal de operacións. En torno a ambos o imaxinario colectivo forxou lendas; a inquisición procurou vítimas e a nosa literatura, latente, abriuse á solidariedade e á denuncia, como aconteceu no caso do texto, anónimo, que lembra o saqueo de Cangas por parte dos piratas turcos: Viñeron os mouros arrenegados lá de moi lonxe, lonxe lonxe... Todo levaron e nós fuxemos alá pra lonxe, lonxe, lonxe. Quen fora galgo, quen fora páxaro, quen fora vento! Tamén daquel suceso derivan os acontecementos que situaron María Soliña no albo inquisitorial. Inés de Ben. Unha historia sobre a fama e a fame Os sistemas de vixilancia existían e os defensivos recairon moitas veces sobre a propia poboación vítima do ataque. O 3 de maio de 1589 (23 de abril segundo o calendario inglés da época, non adaptado aínda ao gregoriano) barcos ingleses foron avistados á altura de Bares e o día 4 entraron na Coruña. E con eles Drake, personalidade que, dependendo quen sobre el escriba, é considerado un heroe ou un demo. Di a lenda que, cando morre, o 29 de xaneiro de 1596, foi lanzado ao mar, nun sartego de chumbo, traxando unha armadura de ouro de 18 quilates, e coa súa espada, tamén de ouro. E mentres iso sucedía na outra parte do mar, en Portobelo (Panamá), na Galiza, especialmente na Coruña, nacía a lenda de María Pita, posta en valor por vez primeira polo propio conde de Gondomar, na súa Carta Apologética de Galicia, de 1614. Ao lado de María Pita a historia fala, menos, de outra muller, con menos influencia social, pero que sen dúbida era daquelas que ao primeiro aviso acudía a defender o seu e o de todos. Mais ao lado de María Pita a historia fala, menos, de outra muller, con menos influencia social que aquela pero que sen dúbida era daquelas que, como dicía Domenico Laffi ao primeiro aviso acudía a defender o seu e o de todos. Dela pouco sabemos. En 1915, no boletín número 97 da Real Academia Galega, Eladio Oviedo Arce, transcribe as declaracións da propia Inés e de varias testemuñas, e que figuran no Arquivo do Reino de Galiza, nun proceso destinado a reclamar a restitución do entregado por Inés de Ben na defensa da cidade. Ponse de manifesto como perdeu marido e facenda, unha "merçaría" na que había, entre outras moitas cousas, chumbo, pólvora e corda por valor de máis de 800 ducados; que todo o entregou para a defensa da cidade, ademais de traballar na reparación dos muros e de ser ferida, segundo testemuña o médico que a atendeu na cabeza e no muslo esquerdo, de dous balazos. A historia non soe ser neutral. Levanta uns e derruba outros, non certamente por capricho. Uns saen nos libros de historia e outros non. E Inés non saíu. Eu escoitei falar dela a Xosé Manuel Carril na presentación da candidatura do BNG ás próximas municipais. Reproduzo as súas palabras. "... quero contarvos unha historia que foi real [...] É unha historia sobre o valor, a fama e a fame. É a historia de quen non tivo medo, senón fame. É a historia dunha muller galega que fixo fronte á escuadra inglesa que chegou a nosa cidade e iniciou o seu ataque na Peixería. Non, non é María Pita. Porque a diferenza dela que tivo fama e unha merecida compensación económica pola súa actuación, esta muller non tivo ningunha compensación malia perder todo. Fálovos de Inés de Ben, que na contenda perdeu o seu compañeiro, perdeu o seu comercio entregando todos os seus bens na batalla e foi ferida de gravidade reparando os muros da cidade. Semella que non tivo éxito na súa petición de axuda de subsistencia ao Rei, porque de Inés de Ben só sabemos que, catro anos despois da súa defensa da Coruña, tiña unha cicatriz na fronte e, case cega, percorría as rúas da nosa cidade pedindo de porta en porta un anaco de pan para a súa boca famenta e para os seus fillos. Condenada a pasar fame e figurar sen recoñecemento mesmo na actualidade, esta muller simboliza moi ben o pobo que berra no presente «non temos medo, temos fame». Fronte a Fisterra seguen a pasar barcos, máis de 40.000 cada ano. As torres de vixía deron paso a modernos sistemas de control e seguimento por satélite. Mais seguen pasando barcos. Algúns, piratas, van cargados de morte ou deixando regueiros de veneno. E outras moitas Inés de Ben, hoxe, igual que antes, saen na defensa do que é noso porque, a pesar de todo, desde cada garita, desde cada atalaia, desde cada facho aínda axexan os soños do pobo que berra... |
NOS_1280 | Oaclamado debut de Maryam Touzani (Tanxer, 1980) achégase a unha historia xeracional de tres mulleres, unha nai, a súa filla e unha muller encinta, na contorna patriarcal e machista da sociedade marroquí. | Samia (Nisrin Erradi) está embarazada, non ten traballo nin tampouco teito baixo o que guarecerse. Percorre as rúas de Tánxer na procura de emprego e acolleito, pero ninguén semella disposto empregar unha moza nova, famenta, grávida e pobre; presupónselle falta de experiencia e a barriga, máis que evidente, anuncia problemas á vista. Adam / Maryam Touzani/ EUA / 2019 / 98 min Ao límite das forzas, e a punto de tirar a toalla, topa cunha panadaría rexentada por Abla (Lubna Azabal) na súa propia vivenda, unha nai solteira cunha filla (Warda). Malia precisar algo de axuda co negocio, Abla non pode asumir outra carga máis. Sen nada que perder, Samia senta fóra disposta a pasar alí a noite. Ante tal afouteza, Abla non ten outra alternativa que deixar que durma no sofá. O que ía ser só unha noite acaba converténdose en meses, até que nace o bebé que dá título o filme. Unha historia de sororidade entre mulleres multicapa que se complementan e van atopando respostas aos seus problemas a medida que se van coñecendo. Samia atopa en Abla algo de esperanza e protección para poder estabilizarse mental e animicamente ante o que se lle vén enriba. Abla descobre en Samia un espello no que recuperar a enerxía e a paixón da xuventude, unha etapa que se lle antolla moi remota, pero que comeza a recordar. Por outra banda, Warda fai de punto de vista inocente e externo como contrapunto a como se perciben a si mesmas as protagonistas. Encántalle a barriga de Samia, cousa que esta ve como un fracaso total de vida. Tamén comeza a tomar distancia coa súa severa nai, que non acaba de se decatar a que a súa filla só precisa agarimo en troques de tanta orde. Touzani opta por unha realización sobria centrada nas actrices e nos diálogos acoutados en espazos definidos nun microuniverso de entidade propia que moi axiña se fai familiar, o cal axuda a que nos identifiquemos e nos importen as decisións que toman as personaxes. Decisións que non van ser sempre acertadas, reservando a peor de todas para o clímax final, unha escena –aviso a navegantes– non apta para todas as sensibilidades; tan dura que custa tragar saliva e até respirar, pero, por sorte, Touzani non é tan retorcida como parece e apiádase do público arranxando o mal trago cun "dobre final", igual de duro, pero que se antolla un toque Disney comparado co que acabamos de presenciar. |
NOS_4574 | A mellor longametraxe da sección oficial foi Il n'y aura plus de nuit, de Eléonore Weber, documental que denuncia o comportamento de pilotos militares en operacións en Irak, Afganistán e Pakistán. | O Xurado Internacional, formado por Elena Duque Viña, Pela del Álamo Herrera e Nuria Giménez Lorang, concedeulle o Premio Novos Cinemas á mellor longametraxe da Sección Oficial a Il n'y aura plus de nuit, de Eléonore Weber, "por ser unha película que, a través dunha narración sobria e precisa, convida a unha reflexión poliédrica sobre a relación Norte-Sur, a fraxilidade do individuo así como sobre os novos valores da imaxe". O filme, que xa pasou con éxito polo Cinéma du Réel (París) ou a Mostra Internazionale del Nuovo Cinema de Pesaro, denuncia o comportamento de pilotos militares en operacións en Irak, Afganistán e Pakistán. Trátase dun documental cualificado ao tempo de "terrorífico e fascinante", construído exclusivamente con imaxes tomadas polas tropas en escenarios de guerra. O Xurado Internacional concédelle tamén unha mención especial a Accidental luxuriance of the translucent watery rebus, de Dalibor Baric, "por crear un intrincado universo distópico propio a partir de materiais atopados, unha película que abre as portas da percepción a partir dun minucioso traballo estético". O Xurado Novo, formado por Alba Domínguez, Fernando Areal, Miguel Gómez, María Ramos e Ángeles Vidal, despois da deliberación e o visionado dos filmes a concurso concedeulle o galardón á mellor dirección da Sección Oficial a Illum Jacobi (The trouble with nature) "pola súa capacidade de xestión dos recursos e por ser capaz de contar moito con pouco". Aliás, o Xurado Novo tivo unha mención especial para Il n'y aura plus de nuit, "pola súa capacidade de crear a raíz de elementos dispersos, ademais dun filme, tamén un discurso". O Xurado da Crítica, formado por Mariona Borrull, Toni Junyent e Ángel Suanzes, recoñeceu a Tal día hizo un año, de Salka Tiziana, "pola súa audacia para rastrexar unha ausencia que se filtra polas fendas dunha realidade familiar sofocante. Unha película tan aberta como as súas paisaxes". O Xurado Latexos, composto por Manuel Asín, Ramiro Ledo, Xan Viñas e Albert Triviño, outorgaoulle o premio a Anunciaron tormenta, de Javier Fernández. Destacou moi positivamente o rigor na investigación dos documentos da historia oficial e o seu contraste co relato do pobo Bubi: "Formula un exercicio pioneiro [...] de rescate da memoria colonial de España e da súa pegada en Guinea Ecuatorial, cuxas consecuencias chegan até os nosos días". O Premio do Público nesta quinta edición de Novos Cinemas foi para Dramarama, de Jonathan Wysocki. |
NOS_19903 | Moito público e moita calidade musical sobre o palco. A Illa das Esculturas de Pontevedra acolleu este sábado un exitoso Festival do Leite. | O cartaz do Festival do Leite era todo un imán. Se pos sobre escenario nomes como De Vacas, Sés ou Triángulo de Amor Bizarro o normal é que reúnas miles de persoas. Foi o que aconteceu este sábado en Pontevedra, na Illa das Esculturas. A oferta completábase con formacións como The Limboos, Bifannah, Disco Las Palmeras, The Soul Jacket, La Casa de los ingleses, Cora V, Gold & Colt e Carlangas DJ. O éxito de convocatoria foi total e absoluto. A cita era coa música, mais o festival tiña tamén outro obxectivo, o de popularizar a idea de que na economía galega o sector do leite non é un sector calquera, senón unha peza basilar da nosa estrutura produtiva. Até niso o festival foi un éxito. |
PRAZA_17694 | O maxistrado incorre nun grave e manifesto abuso de Dereito, ao emitir e retirar euroordes de detención só en función dun concreto resultado da investigación penal que dirixe: garantir un castigo "á carta" dos líderes soberanistas cataláns | Hai días, ao escrebirmos sobre a decisión do Tribunal Superior de Schleswig Hollstein rexeitando extraditar Puigdemont polo delicto de rebelión, manifestei que o Plan A do maxistrado Llarena era retirar a euroorde, mais consideraba que non a ía retirar en último de contas, polo desprestixio que unha tal decisión xeraría na imaxe exterior da xustiza española, que ficaría a níveis de Zimbabwe, cando non da Somalia. Semella que considerei no maxistrado Llarena unha ansia profesional que non ten. Porque non só anulou a euroorde de Puigdemont, senón as de Clara Ponsati na Escocia, da secretaria xeral de ERC Marta Rovira, na Suiza e máis a de Meritxell Serret, Lluis Puig e Antoni Comín no Tribunal de Bruxelas. É dicir, todas estas persoas fican con total liberdade de movementos agás no Estado español, onde paira sobre todos eles unha orde de detención cinguida só ao seu territorio. Llarena decide todo este balbordo porque quere poder xulgar por rebelión a todos os acusados que están no cárcere preventivo. O que sería imposíbel se os Tribunais de Bruxelas, Edimburgo e Xenebra seguen o ronsel do Tribunal de Kiel e din que a rebelión e a sedición só existe no miolo de Llarena e doutros maxistrados do TS e da AN. O maxistrado incorre nun grave e manifesto abuso de Dereito, ao emitir e retirar euroordes de detención só en función dun concreto resultado da investigación penal que dirixe: garantir un castigo "á carta" dos líderes soberanistas cataláns Claro é que Llarena como maxistrado ten a obriga de perseguer calquera delicto alí onde estea o presunto autor do mesmo. Retirar as euroordes constitúe unha aberta vulneración desta obriga legal e a posíbel comisión dun delicto penado no artigo 408 do Código Penal (CP). E, sobre todo, ratifica unha pescuda xudicial non obxectiva ni imparcial, que non percura a verdade senón o castigo e que amosa que o maxistrado Llarena non respecta ferramentas de colaboración entre o Estados de Dereito da UE como as euroordes. Senón o tipo penal de omisión na persecución de delictos do artigo 408 CP, o maxistrado Llarena incorre nun grave e manifesto abuso de Dereito, ao emitir (novembro de 2017 e marzo de 2018) e retirar (decembro de 2017 e xullo do 2018) euroordes de detención só en función dun concreto resultado da investigación penal que dirixe: garantir un castigo "á carta" dos líderes soberanistas cataláns, no canto de garantir a verdade material que ha perseguer todo xuiz dun Estado de Dereito. Publicidade |
PRAZA_14313 | A central nacionalista asegura que "votar o PP é condenar o país" e lembra que "o panorama social e económico de Galicia é preocupante e sen saída a curto prazo". | As mobilizacións non pararán na precampaña electoral. A CIG anunciou este xoves que levará a cabo unha serie de protestas durante estas datas para "denunciar a colaboración da Xunta de Feijóo coas políticas de recortes" que veñen impostas desde "a UE e o Estado". Estas mobilizacións finalizarán no mesmo día que comece a campaña electoral, o vindeiro 4 de outubro, con protestas en todas as comarcas galegas. As mobilizacións da CIG pretenden "situar a cidadanía para que triunfen forzas que se enfronte aos recortes" O obxectivo destas futuras protestas é "situar a cidadanía para que triunfen forzas que se enfronten ás políticas de recortes", explicou Suso Seixo, secretario xeral da CIG, durante unha rolda de prensa na que explicou que a central nacionalista convocará "asembleas en empresas, actos na rúa" e outras accións que rematarán con "manifestacións en todas as comarcas galegas", coincidindo co inicio da campaña electoral. Seixo quixo deixar claro que o obxectivo da CIG "non é interferir na campaña" e que pretenden que "esta transcorra con normalidade", pero non descartou que se produzan novas protestas xa coa campaña empezada, sobre todo no sector público, aínda que ese non é o seu propósito. Ademais, anunciou que espera que CCOO e UGT se "sumen ás protestas do día 4", malia que os sindicatos estatais xa teñen convocadas manifestacións en defensa do sector industrial ás que tamén poderían acudir a central nacionalista o vindeiro día 8. Para Suso Seixo, o PP "representa os intereses da oligarquía española e europea" por medio dos seus "recortes antisociais" e criticou que o Goberno da Xunta colabore "nas políticas antigaleguistas e recentralizadoras da dereita máis reaccionaria". "Pretenden recortar dereitos e competencias das autonomías", dixo o secretario xeral da CIG, que pediu que a xente apoie nas eleccións a "forzas políticas no campo do nacionalismo". "Votar o PP supón condenar o país", asegura Seixo Segundo Seixo, votar o PP supón "condenar o país", tamén no plano "cultural e lingüístico", logo de denunciar que a situación de Galicia é a dun "panorama social e económico preocupante e sen saída a curto prazo". Ademais, chamou "mentireiro" a Alberto Núñez Feijóo polas súas promesas de creación de emprego na campaña electoral de 2009, á vez que culpou o presidente galego da "situación de deterioración" do desemprego en Galicia debido á súa "pasividade" contra o "tecido produtivo" personificado en "o sector naval, financeiro e lácteo". Para a CIG, os "160.000 parados da era Feijóo" son consecuencia das políticas desenvolvidas no últimos catro anos, que tamén provocaron a emigración de "centos de mozos moi cualificados", ademais de "5.600 novos parados no sector industrial" onde, segundo matizou Seixo, "o emprego é de maior calidade e máis estable". |
QUEPASA_648 | O PP venceu en todos os Concellos da Costa da Morte agás en Corcubión (gaña o BNG). Suma un 54% dos votos. O BNG é segunda forza na Costa da Morte co 25% O PSOE baixa á tarceira fora co 17% Galicia en Común- Anova Mareas queda, por pouco, por diante de VOX como cuarta forza, pero ambas non conseguen participación parlamentaria. O Parlamento Galego só terá 3 partidos: PP, BNG e PSOE | Este 12 de xullo de 2020 2.7 millóns de galeg@s escolleron a nova composición do Parlamento Galego nunhas novas Eleccións Autonómicas. Unhas Eleccións singulares, diferentes, no marco dunha pandemia, con brotes activos no norte do país, co medo ao contaxio sempre presente, aderezado ademais por un fermoso día de verán. A participación foi do 59%, 5 puntos máis que no 2016. En todo caso, a decisión dos galeg@s é clara: Feijoo seguirá sendo presidente. O PP arrasou en Galicia como na Costa da Morte, con 42 escanos (un máis que na pasada lexislatura), polos 19 do BNG e os 14 do PSOE. Os tres formarán o Parlamento Galego, pois quedan fóra Galicia en Común - Anova Mareas, como Vox ou Ciudadanos. A gran subida do BNG (suma 13 escanos máis que en 2016) compensa a baixada das Mareas e Podemos, que sofren a desfeita realizada nesta lexistatura. O PSOE paga a súa falta de carisma e queda cos 14 escanos de 2016. Na Costa da Morte, o PP gaña en 18 dos 19 concellos da comarca. Só en Corcubión venceu o BNG, e chama a atención que nin sequera en Dumbría o PSOE conseguíu superar ao PP. Moitas medidas de seguridade nas mesas electorais como nesta de Cee. Foto: Rafa Quintáns Os resultados concello a concello Resultados en Cabana Resultados en Camariñas Resultados en Carballo Resultados en Carnota Resultados en Cee Resultados en Corcubión Resultados en Coristanco Resultados en Dumbría Resultados en Fisterra Resultados na Laracha Resultados en Laxe Resultados en Malpica Resultados en Mazaricos Resultados en Muros Resultados en Muxía Resultados en Ponteceso Resultados en Santa Comba Resultados en Vimianzo Resultados en Zas As promesas do 2020 As promesas do #12X (V): Galicia en Común - Anova Mareas apenas escoita a comarca. As promesas do #12X (IV): O PSOE pon o foco no esquecemento da Xunta á Costa da Morte. As promesas do #12X (III): O BNG reparte promisións. As promesas do #12X (II): O PP confía na súa supremacía na Costa da Morte. 06-07-2020: As promesas electorais (I): Xustiza democrática. Outras accións da campaña 19-06-2020: O BNG tamén abriu a campaña dende unha granxa de Mazaricos. 17-06-2020: O PP abríu a campaña do #12X visitando á industria agroalimentaria da Laracha. 15-06-2020: Gonzalo Caballero abre a campaña costeira do #12X. |
NOS_39060 | O estudo realizado polo Grupo de Investigación Hispona da Universidade de Santiago (USC) para a Deputación da Coruña servirá de base para unha obra audiovisual que se comezará a gravar en marzo. | O traballo de documentación 'Xeración Perdida do 36' realizado polo Grupo de Investigación Hispona da Universidade de Santiago (USC) sobre a represión, fuxida e a execución de centos de galegas e galegos como consecuencia do alzamento militar de 1936, contará cun documental. O 28 de xullo de 2016 a Deputación da Coruña rendía homenaxe ás corporacións democráticas represaliadas despois do golpe militar de 1936. Naquel primeiro acto de recoñecemento, a institución elaborou unha listaxe inicial con alcaldesas e alcaldes asasinados cando estaban en exercicio do seu cargo. Para a preparación daquel evento consultáronse varias persoas expertas en investigación histórica que botaron en falta unha listaxe máis completa de concelleiras e concelleiros que padeceran a represión e mesmo das corporacións que estaban en activo naquel verán de 1936. A institución provincial, daquela, promoveu a realización dunha investigación en profundidade que complementara e actualizara a información sobre ese tema que se lle encargou a Grupo Hispona da USC. A Xeración Perdida do 36 Baixo a coordinación do profesor Emilio Grandío, realizaron ese estudo unha equipa de investigación formada por membros e colaboradores externos do grupo na que participaron Eliseo Fernández Fernánez, Alfonso Iglesias Amorín, Rosalía Regueiro Méndez e Manuel Pérez Lorenzo. Os obxectivos xerais do proxecto foron ampliar o coñecemento existente sobre os concellos das comarcas da Coruña na fase final da II República; retratar a vida política dos concellos na última etapa do período republicano; e recuperar a memoria das corporacións democráticas derrocadas polo golpe militar de 1936. O traballo publicouse en 2018 e púxose a disposición pública a través da propia web da Deputación da Coruña. O documental Agora, o proxecto contará tamén cunha longametraxe documental dirixida polo realizador Xosé Antón Moure e producida por Fílmika Galaika, que plasmará en imaxes a historia do libro. O proxecto presentarase o 15 de febreiro ás 19.30h no Salón de Actos da Biblioteca Ánxel Casal e comezará a rodaxe no vindeiro mes de marzo en diferentes localidades das comarcas da Coruña. O documental realizará un percorrido destacando figuras relevantes desta Xeración Perdida, como Ánxel Casal, Bríxida Muñiz ou Alfredo Suárez Ferrín. |
NOS_14417 | Segundo os dados da Plataforma, por volta do 82% do alumnado non asistiu ás aulas, o que supón un maior seguimento do boicote que nas probas de 6º curso. | Esta terza feira (24 de maio) comezou a desenvolverse a proba de avaliación entre o estudantado de 3º de Primaria. A Plataforma galega en defensa do ensino público, que reiterou o chamamento ás familias para que non leven as crianzas á escola durante estes exames, asegura que o índice de absentismo se sitúa por volta do 82% o que suporía un repunte de participación no boicote a respeito das probas de 6º de Primaria. A Plataforma ve nas cifras de seguimento a "evidencia máis palpábel do rexeitamento clamoroso" á LOMCE e as reválidas Nunha concentración diante da Consellaría de Educación, en Compostela, Anxo Louzao, portavoz da PGDEP asegurou que as cifras de seguimento son "a evidencia máis palpábel do rexeitamento clamoroso que suscitan a LOMCE e as reválidas". Así mesmo, desde a Confederación de ANPAS Galegas, Fernando Lacaci, sinalou que a ausencia de estudantes desautoriza totalmente ao conselleiro, cando fala de manipulación das familias". A este respecto lembrou que máis do 80% das familias "non pertencen a unha ideoloxía, a un partido político, non son seguidores dunha única consigna. Cando falamos desas porcentaxes estamos falando dunha multiplicidade enorme de persoas que están de acordo nunha única idea: a LOMCE é unha lei que nin queremos, nin necesitamos". "Son probas que conducen ao alumnado a entrar nunha competición e que converten os centros de ensino en centros competitivos no canto de centros educativos", denunciou Louzao polo que instaron, máis unha vez, a Educación a retirar as probas e ao goberno español a derrogar a LOMCE. |
NOS_14112 | A Cidade da Cultura acolleu na tarde da quinta feira o acto de entrega dos Premios da Cultura, que este ano recaeron en Ledicia Costas, Xurxo Lobato, A Central Folque, Xosé González, Manuel Puga, Consuelo Pampillón, Ildiko Szijj e Chema Prado. | O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, foi o encargado de abrir o acto de entrega dos Premios da Cultura Galega 2020, un evento ao que asistiron, entre outros, o presidente da Xunta Galiza, Alberto Núñez Feixoo, e o do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices. Ledicia Costas Na modalidade de Letras, o premio foi para a escritora Ledicia Costas, que reivindicou no seu discurso a literatura para as crianzas: "A literatura infantil e xuvenil non crea lectorado para o futuro, son lectores hoxe e teñen dereito a unha literatura de calidade, porque son esixentes e son inconformistas", resolveu. Xosé González Así mesmo, na modalidade de Lingua, recibiu a distinción Xosé González Martínez, creador do primeiro servizo de normalización lingüística da Galiza e peza chave na galeguización da xustiza, que avogou por seguir traballando "no descofinamento da lingua galega". Consuelo Pampillón Consuelo Pampillón, da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) recolleu o premio na modalidade de Artes Escénicas e reivindicou a formación e a creación de público como ferramentas clave do teatro amador galego. Chema Prado Chema Prado foi o galardoado no ámbito Audiovisual e fechou a súa intervención cunha " súplica" ao presidente galego: "coide e potencie coas dotacións necesarias a súa filmoteca, o CGAI". A Central Folque No apartado de Música, o premio foi para o colectivo pioneiro no ensino de música galega A Central Folque. O seu director artístico, Ramón Piñeiro, foi o encargado de recoller o galardón e quixo dar visibilidade ás dificultades que está a pasar non só o sector cultural, senón o ensino de música, as salas de concertos, os técnicos e especialistas na materia ou o sector de eventos. "Talento non nos falta, reforcemos o resto para que sexa apreciado e recoñecido por todos", resolveu. Ildiko Szijj En Proxección Exterior, a premiada nesta ocasión foi Ildiko Szijj, responsábel do Centro de Estudos Galegos de Budapest, en Hungría, que agradeceu a través dunha carta o recoñecemento. Xurxo Lobato O fotógrafo Xurxo Lobato recibiu, pola súa banda, o premio na categoría de Artes Plásticas e fixo fincapé na "función social da arte" e na capacidade da fotografía de "deter o tempo" e converterse nunha testemuña "documental" dun momento pasado. Manuel Puga Finalmente, o presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga, recolleu o premio no ámbito de Patrimonio Cultural, un recoñecemento que, dixo, dálle "máis ánimos" e "compromiso" co obxectivo de divulgar e poñer en valor o patrimonio cultural, xa que "ninguén ama o que descoñece". Feixoo apela á "resistencia da cultura" No seu discurso, Feixoo destacou a "resistencia" do sector da cultura e dos creadores galegos -un ámbito que amosou as súas críticas nos últimos meses debido á falta de axudas para atallar a crise- "nestes tempos tan amargos" e apostou por dirixirse cara a un "novo Rexurdimento" no que a cultura "siga sendo a forza motriz". Do galardoado Xurxo Lobato, destacou que ten captado os instantes solemnes e prosaicos de galegas e galegos que, grazas a el, gozan xa de inmortalidade; "e mediante o talento literario de Ledicia Costas, Galiza non é un feito estraño para un lector italiano, coreano, búlgaro, romanés ou iraniano. Estamos a falar dunha autora versátil, sen límites xeracionais nin temáticos, á que lle debemos, sobre todo, o achegamento da nosa lingua aos máis novos". No tocante ao teatro, recoñeceu que os actores que compoñen a Federación de Teatro Afeccionado da Galiza e a plataforma Platta teñen a sorte de comprobar que as artes escénicas seguen a suscitar as mesmas emocións en públicos diferentes. "E sen a actividade comprometida da Asociación de Mulleres de Moaña, Atrezo, Aurín, Ditea, Escoitade, Metátese e O Trasno, estou seguro de que moitos galegos sentiríanse orfos sen ninguén no escenario", engadiu. En relación á Central Folque, gabou a súa traxectoria dedicada ao ensino de diferentes instrumentos non estudados habitualmente, da historia da música galega, da etnomusicoloxía e do patrimonio musical; ademais dunha abondosa produción editorial que rescata tesouros esquecidos. E, sobre Chema Prado, director da Filmoteca Española entre 1989 e 2016, recordou que, en todas as súas responsabilidades e relacións, exerceu de embaixador plenipotenciario de todo o galego. Do premiado Xosé González Martínez lembrou que a primeira sentenza en lingua galega ditada polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza en 1985 ten nel un dos seus grandes artífices; "e a el se debe igualmente o primeiro servizo de normalización lingüística. "Representa o anhelo compartido da plena normalización do noso idioma en todos os eidos e sectores", aseverou. Durante o acto, o presidente da Xunta afirmou que se nesta "nova Xeración Nós do século XXI" hai un "directo continuador do espírito da Xeración Nós orixinal, hai que referirse á Fundación Penzol, cun inxente fondo bibliográfico e documental centrado na realidade histórica e cultural da Galiza". Por último, Feixoo referiuse ao "amor por Galiza" da responsábel do Centro de Estudos Galegos de Budapest, Ildiko Szijj, como unha proba de que aquí se xeran valores que teñen un eco universal. |
NOS_45390 | Voltou a acontecer. La Sexta, nesta ocasión a través do programa "Salvados", voltou a darlle cobertura na franxa horaria de máxima audiencia aos partidos estatais emerxentes, Podemos e Ciudadanos, as forzas políticas que máis eco viñeron conseguindo nesta canle nas noites dos sábados. | Moitas voces responsabilizan La Sexta das cotas de éxito electoral que obtivo Podemos no seu día. Día si, día tamén, a canle considerada progresista, e que pertence, xunto a Antena 3 ao grupo Planeta e á familia Lara, outorgáballe minutos aos líderes de Podemos, Pablo Iglesias, Íñigo Errejón e tamén Juan Carlos Monedero. Nos últimos meses, coincidindo coas semanas previas ás eleccións catalás, Ciudadanos conseguiu ser un habitual entre as forzas que participan nos debates que emite a canle os sábados á noite. Desta maneira, as formacións unionistas -o bipartidismo clásico e as forzas de novo cuño- acapararon os micrófonos deste medio, en detrimento das forzas independentistas e nacionalistas, cuxa presenza é sempre nula ou residual. Seguindo coa mesma liña, "Salvados", o programa de Jordi Évole, buque insignia da cadea, convocou este domingo 18 de outubro un cara a cara entre os dous líderes das forzas estatais emerxentes: Pablo Iglesias e Albert Rivera, que comezaron a cita televisiva cunha conversa de aparente normalidade sobre como a política e o feito de ser recoñecidos pola sociedade cambiara as súas vidas. As cuestións económicas e sociais centraron un cara a cara no que se reservou tan só uns minutos contra o final do espazo á cuestión catalá e ao dereito a decidir. Pablo Iglesias enfatizou que se fose presidente convocaria un referendo en Catalunya e nel defendería "un si a un proxecto xuntos" Sobre o referendo, Albert Rivera avogou en "reformar España pero non rompela" e salientou que non convocará referendo ningún. "Hai que reenganchar os cataláns ao proxecto español", sinalou, "hai que convencer os cataláns de que o proxecto español vale a pena". "Á xente gústalle sumarse ás cousas que funcionan", dixo Rivera en relación a unha España gobernada por Ciudadanos, "unha cousa é debater sobre infraestruturas e outra é quitarlle a nacionalidade á xente". Coincidencias e desacordos Pablo Iglesias afirmou "non ter medo á democracia" e insistiu en que, de ser presidente do Goberno, convocará o referendo. Iso si, convocarao para obter "un si a un proxecto xuntos". Desta maneira, o líder de Podemos apostou en que Catalunya sexa unha nación, pero "dentro de España". "Non quero que Catalunya marche de España", engadiu. Iglesias sinalou que Artur Mas "ten medo a vernos na Moncloa", porque "a maioría dos cataláns estarían encantados de estar con nós". En parte das cuestións ao redor das que se debateron, amais da independencia que nin Rivera nin Iglesias queren, ambos os líderes amosáronse de acordo. O propio Iglesias chanceaba antes de finalizar o programa con que "como isto siga así presentarémonos xuntos ás eleccións". Coincidiron en cuestións como o cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI) á igrexa; a supresión das Sicav; a loita contra a fraude fiscal; a transparencia; a loita contra a corrupción; a modificación da "Lei Mordaza"; a reforma das pensións; a supresión da amnistía aos políticos ou o afortalamento do Tribunal da Competencia. As maiores disensións entre os representantes de Podemos e Ciudadanos tivo a ver coa política económica e sanitaria. Mentres Pablo Iglesias avogou nunha cobertura universal sanitaria para todas as persoas, incluídas as que se atopan nunha situación administrativa irregular, Rivera, que confesou empregar un seguro sanitario privado, defendeu que non se pode dar toda a cobertura de servizos ás persoas "sen papeis". Albert Rivera non estivo cómodo cando o programa emitiu a loanza do presidente do BBVA O momento álxido do debate, no que resaltaba a soltura de Rivera, que apenas lle permitía falar a Iglesias, tivo lugar cando o programa emitiu as loanzas do presidente do BBVA ao presidente de Ciudadanos, do que salientou que "cre en España". A partir de entón xurdiron temas como a relación dos partidos políticos cos empresarios, a condoazón de débedas aos partidos por parte da banca ou as doazóns aos partidos. A nacionalización de sectores estratéxicos como a enerxía, fronte á que se erixiu o representante de Ciudadanos, foi outro dos puntos sobre os que xirou o debate. Preguntados por Évole, Iglesias e Rivera tamén falaron sobre o indulto a Otegi e a dispersión dos presos e presas vascas. En relación a Otegi, o líder de Ciudadanos sinalou que é contrario á concesión de indultos a políticos, mentres que Iglesias foi máis alá e advertiu de que Otegi non debería estar no cárcere. Ao igual que Rivera, non contempla o indulto. Sobre a dispersión dos presos e presas, o representante de Ciudadanos afirmou que "deben cumprir as sentenzas onde están", mentres que o de Podemos lembrou que a lei estabelece que as persoas presas estean perto do seu domicilio, "estou de acordo en que alguén pague polo que cometeu, pero non as súas familias". Como era previsíbel, por ser forzas estatais, Galiza non apareceu no debate. Tan só houbo unha pequena alusión ás eleccións vascas e galegas cando Pablo Iglesias e Albert Rivera charlaban ao inicio do programa sobre o dura que resulta a carreira política. |
NOS_58294 | A batalla do Cambedo é un dos fitos de referencia da loita guerrilleira nas terras arraianas. Un suceso que marcou o devir da resistencia contra o franquismo fai agora 75 anos e que segue a buscar o lugar que se merece na historia da loita democrática e da irmandade entre a Galiza e Portugal. | O 19 de decembro de 1946, Cambedo da Raia, unha aldea da freguesía de Vilarehlo da Raia, no concello de Chaves, apareceu rodeada de efectivos da Garda Civil española e de membros de diversos corpos de seguridade portugueses como a Garda Nacional Republicana, a Garda Fiscal, o exército e a PIDE, a temíbel policía política do réxime de Salazar. A envergadura do despregue de forzas da ditadura española e portuguesa e o cerco sobre as bases de apoio das guerrillas galegas na Raia Seca impediu a fuxida dos resistentes e obrigounos a unha batalla desigual que se alongou durante horas e onde se empregou artillaría pesada contra as vivendas de refuxio dos antifascistas. Os resultados do confronto foron demoledores para a guerrilla galega. No combate morreron Bernardino García García e Juan Salgado Riveiro. O primeiro, natural de Viana do Bolo, após combater durante horas, rematou por suicidarse antes do final do confronto. O segundo, orixinario de Oimbra, destacado músico, militante libertario, ligado, ao tempo, á guerrilla de Mario de Langullo non deu escapado ao cerco e acabou morto a mans das autoridades españolas. As diversas tipoloxías represivas cebáronse cos outros membros do grupo e coa a súa rede de apoio. O seu máximo responsábel, Demetrio García, natural de Oímbra e no monte desde 1937 permaneceu encarcerado durante 19 anos, unha parte importante dos cales transcorreron no tristemente celebre campo de concentración de Tarrafal, en Cabo Verde. O seu cuñado, Manuel Barcia, e a súa familia sufriron, tamén, diversas penas de prisión de diferente consideración, morrendo o seu bebe, Primitivo, nun centro de reclusión da PIDE. "A represión foi tremenda" Unha das grandes estudosas da batalla do Cambedo, a antropóloga do Instituto de Historia Contemporánea da Universidade Nova de Lisboa, Paula Godinho sinala a Nós Diario que "a represión foi tremenda, con ducias de veciños detidos" e lembra como "oito cidadáns españois de aldeas próximas foron xulgados e expulsados para o seu país, co prohibición de entrar en Portugal. Cambedo da Raia perdeu 18 dos seus habitantes por mais de un ano". "A batalla do Cambedo significou o momento final dun proceso que se iniciara após o golpe de Estado de 1936, en que a permeabilidade da fronteira e o acollemento de quen fuxía do terror franquista na Galiza tiñan ocorrido en case toda a Raia", continúa Godinho, quen explica que o apoio dos veciños da Raia Seca aos fuxidos galegos como consecuencia dunha "historia longa, que une, nunha fronteira que foi menos clara até o Tratado de Limites de 1864. Historias de sociabilidades continuadas, resultantes dos traballos e da convivialidade". O historiador Dionisio Pereira é outras das persoas que ten traballado na Galiza a loita da guerrilla na Raia Seca. Neste sentido, destaca a Nós Diario "o significativo apoio da poboación rural de Castro Laboreiro, da Serra da Peneda, do Barroso e da raia trasmontana á loita guerrilleira. Pola contra, as relacións coa oposición antisalazarista existiron pero foron pouco relevantes, agás no Cambedo onde o "aparello de fronteira" do PCP contou coa axuda da guerrilla alí radicada". "A Raia Seca portuguesa viviu entre 1936 e 1947 nun estado de excepción" "En resumidas contas, a Raia Seca portuguesa viviu entre 1936 e 1947 nun estado de excepción non declarado", afirma Pereira, quen asevera que "a reacción do salazarismo foi moi dura: centos de veciños e veciñas daquelas contornas pasaron polas cadeas da PIDE en Bragança, Chaves, Melgaço e Porto acusadas de colaborar coa guerrilla e, mesmo, dúas persoas, unha de Sernande (Vinhais) e outra de Sanfins da Castanheira (Chaves), morrerán polas torturas". Paula Godinho e Dionisio Pereira son dúas das persoas que colaboran no volume Cambedo da Raia. Solidariedade galego-portuguesa silenciada, reeditado por Edicións Positivas con motivo de 75 aniversario daqueles sucesos e onde colaboran, entre outros, David Cortón, Domingos da Costa Gomes, Antonio Loja, Jose Alves, Luís Martínez-Risco, José Dias, Rui Gomez, Xurxo Ayan e Ana Luísa Rodrígues. O editor da obra, Francisco Macias, significa a Nós Diario que "pareceume moi interesante volver a pór no mercado un libro publicado no seu momento por Amigos da República de Ourense, que chegou a esgotar dúas edicións e ofrece diversas visións sobre o acontecido no Cambedo pero que ao mesmo tempo se complementan". Na mesma orientación, destaca que "estes sucesos modificaron a historia da guerrilla galega". As razóns do Cambedo insubmiso É un dos lugares míticos da guerrilla antifascista galega. Ligado por razóns históricas, culturais e de veciñanza coa Galiza, a súa memoria pide paso e busca saír á luz. O labor do movemento memorialístico ou de investigadoras como Paula Godinho contribúen a ese obxectivo. |
NOS_51968 | Mover os marcos é o título da obra gañadora da décimo segunda edición do premio Vitoriano Taibo. O seu autor é Fran Fernández Davila (Vigo, 1974). | Do xurado que fallou a prol de Davila fixeron parte Laura Ramos -que o obtivo o pasado ano por A situación actual-, as escritoras Isabel Blanco, Miguel Anxo Mouriño e Iria Misa, o editor e ensaísta Xulián Maure, a editora Edurne Baines e mais Paula Cabral como secretario. "Sacarse unha foto espido e mandala a concurso, un acio marcado de cicatrices por dentro", escribiu o propio Fernández Davila sobre a obra premiada nas súas redes sociais, "mudarse a un lugar e ter a sensación de voltar á casa. Visitar por primeira vez o teu fogar de toda a vida". Convocado polo Instituto de Estudos Miñoráns e o Concello de Gondomar, o Vitoriano Taibo está dotado con 3.000 euros, unha escultura de Fino Lorenzo e a publicación do libro na Colección Vitoriano Taibo do Instituto de Estudos Miñoranos. Antes do que será o seu primeiro traballo poético, Fran Fernández Davila obtivera o premio de novela por entregas de La Voz A senda de sal (Galaxia, 2017). |
NOS_12610 | A formación jetzale realiza a súa VII Asemblea Xeral coa vista posta nunha nova relación co Estado español, a través dun novo estatus para Euskal Herria baseado no recoñecemento da nación vasca, a bilateralidade e o dereito a decidir. | Iruñea acolle a VII Asemblea Xeral do PNV na que se aprobou o texto político Batasuna eta Indarra –Unidade e forza, o mesmo nome da histórica asemblea de 1977- por 318 votos a favor, catro en contra e tres abstencións. Este relatorio, que marcará a folla de ruta da formación durante os próximos catro anos, insiste na necesidade dunha "segunda transición" para Euskal Herria, ao entender que o actual Estatuto está esgotado e que o Estado é incapaz de aceitar "as realidades nacionais vasca, catalá e tamén en certa medida a galega". O PNV quere un novo estatus para Euskal Herria baseado no recoñecemento da nación, na bilateralidade e no dereito a decidir Con esta premisa, o PNV traballa por conquirir unha nova relación co Estado, a partir dun novo estatus político para Euskal Herria, baseado no recoñecemento da nación vasca, a bilateralidade e o dereito a decidir. Neste sentido, a formación jetzale desbota a proposta federal que formula o PSOE se se mantén a estrutura por comunidades autónomas. De aí que propoña un acordo entre iguais, pois Euskal Herria "non é unha simple comunidade autónoma e iso debe quedar claro nun futuro acordo". En paralelo, o documento aprobado pola Asemblea Xeral esixe "recoñecemento externo", plasmado en xestos de calado como a presenza de Euskal Herria en foros internacionais como a Unesco ou a participación das seleccións nacionais vascas en todos os ámbitos deportivos. Nesta liña, o documento que saíu este sábado da Asemblea Nacional aposta pola cooperación das formacións que defenden o dereito de autodeterminación de Euskal Herria. "Superado o tempo de violencia", o PNV ve "imprescindíbel" que as forzas políticas nacionalistas compartan estratexia e acorden "un chan ético-democrático", uns obxectivos "mínimos" e uns "ritmos" do proceso. A reparación e recoñecemento ás vítimas e unha política penitenciaria orientada á convivencia e á reinserción son outras das medidas recollidas na folla de ruta que marcará o camiño do PNV até 2020. Comunicacións aprobadas Amais de estabelecer as orientacións relativas ao recoñecemento de Euskal Herria como nación, o PNV aprobou unha serie de comunicacións que pasan por afondar na igualdade de homes e mulleres e conseguir un final digno da vida, un sistema propio da Seguridade Social e das pensións ou a reindustrialización do país. O PNV elixirá como presidente Andoni Ortuzar Na xornada deste domingo, a Asemblea Xeral, que ten lugar en Iruñea para conmemorar o 40º aniversario do primeiro conclave do partido após saír da clandestinidade, elixirá Andoni Ortuzar como presidente do PNV. |
NOS_39021 | Representantes do BNG reúnense con confrarías galegas e urxen o Goberno estatal a recorrer a medida impulsada pola Comisión Europea. | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chamou esta segunda feira a "redobrar" a presión "política, social e institucional" contra a decisión da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico nororiental. Aliás, exixiu ao Goberno estatal e ao galego medidas de apoio ao emprego e evitar que se produza o despezamento de buques. Pontón, xunto ao deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, e a parlamentaria Rosana Pérez, reuniuse con representantes do sector pesqueiro afectado pola prohibición, que entrou en vigor ás 00 horas do pasado domingo, 9 de outubro. Contraria a este "suma e segue a toda unha serie de recortes" que afectan a pesca galega, a nacionalista advertiu de que esta "decisión lesiva" é "moito máis preocupante" ao producirse nun momento "en que o sector estaba a pasar por moitas dificultades", entre outras, polo Brexit. "Os galegos temos dereito a seguir pescando (...) É o momento de redobrar a presión política, social e institucional. Baixo ningunha circunstancia podemos tirar a toalla", avisou. Para a líder do BNG é "inaceptábel" a resposta da Comisión Europea, que desatende as reclamacións do sector e, ademais, "demostra a fraxilidade" da decisión, que afecta de forma directa 21 portos e 200 buques galegos. Eis as chaves do veto á pesca de fondo, após entrar en vigor este domingo Asegurando así que os pescadores galegos son "os primeiros en defender unha xestión sustentábel", reprobou que "o que fai a Comisión Europea é camiñar nunha decisión en que se quere eliminar a pesca", antes de vinculala cos intereses de lobbies da enerxía. Ana Pontón chamou neste contexto a xerar unha "gran fronte" de país a modo de reacción, e urxiu "que se formalice canto antes ese recurso" por parte do Goberno español, co que "se pidan medidas como a suspensión cautelar" da norma. Neste sentido, apuntou que se trata dun recurso "que ten un tempo xudicial longo" e o que non é desexábel, dixo, é que "cando dea a razón a xustiza non haxa barcos que poidan ir faenar". Por último, viu "importante que se acompañe ao sector, non só no ámbito xudicial, senón articulando axudas para que non se destrúa nin un só posto de traballo e que non se permita o despezamento dun só barco". "Tanto o Estado como a Xunta deben articular medidas que garantan que imos manter a actividade e o emprego", subliñou a portavoz nacional do Bloque. Pontón, Rego e Pérez reuníronse con representantes de Arvi, Federación Nacional de Confrarías, Arpega, OPP 31 PescaGalicia e Opromar, entre outros. "Seguiremos pescando durante séculos" Como portavoz na comparecencia ante os xornalistas exerceu Basilio Otero, presidente da federación de confrarías, quen apelou tamén á "unión" para facer fronte á decisión comunitaria. "Levamos pescando desde hai séculos e imos seguir pescando durante séculos", avisou ao comisario, ao que lembrou tamén que o sector é "responsábel" na explotación dos recursos mariños. 4.000 persoas mobilízanse en Ribeira en defensa do sector pesqueiro Otero criticou que a Comisión agora "deulle ao botón e apagou todo", de modo que "non hai mapas, non hai zonas" e desde o domingo houbo barcos que non largaron as redes a pesar de estar no mar por non dispor da información suficiente para saber onde poden e onde non poden faenar. Sexa como for, descartou problemas entre buques, mentres representantes da frota presentes no encontro precisaron que os efectos da prohibición veranse "os próximos días", posto que, por exemplo, os barcos do pincho precisan 12 horas para saber "se hai peixe" ou non. Se non o hai, "haberá que moverse" a outras zonas en que faenan outros compañeiros, advertiron. Por outra parte, sobre a presentación do recuso, lamentaron que o Executivo estatal "xogue cos prazos", xa que pode interpolo até o próximo 17 de novembro. "Seguimos esperando" e "o sector ten unha incerteza durante mes e medio", subliñaron. "Deberían presentalo xa porque é un aviso a navegantes", concluíron. |
NOS_49182 | Arquitectura e cidade son indistinguíbeis no conxunto catedral e contorna, ó contrario de tantos edificios públicos actuais pensados como "obxectos de museo" illados e solitarios. | O conxunto de espazos e construcións que abrazan as nosas catedrais conforman, xunto con estas, a máis excepcional secuencia urbana. Se pensásemos en proxectar hoxe nese mesmo chan outros edificios, causaría impresión a complexidade e o tamaño do problema. Como se foi incrustando lentamente todo ese volume na nosa difícil orografía? Atendendo só a cada catedral, están tan ben instaladas que semellan ocupar pouco, pois salvo na portada, gran parte das mesmas disólvense na súa contorna. Estes enormes trastes resultan amábeis independentemente da nosa fe. Pensar na catedral máis visitada é pensar na secuencia: Praterías, Quintana, Inmaculada, Obradoiro ou viceversa. As prazas do redor, cada cal coa súa misión, existen para que a catedral poida chegar a ser. Diante de tal espectáculo preguntámonos: como chegou isto ata aquí? A contorna catedral foi pactada e construída con lentitude por acumulación e subtracción, sen as urxencias actuais. É imposíbel obter tanta riqueza de súpeto. O tempo constrúe. Aquí, podemos viaxar dun tempo a outro sen cambiar de espazo. En perfecto anonimato, o espazo atópase co tempo. O valor do conxunto catedral-prazas-casas fica na relación entre as cousas que vemos. Aquí, nada é grande ou pequeno, ou ten valor por si mesmo. Diferentes xogos de escala fan que o pequeno semelle grande e o grande pequeno. A experiencia desta secuencia urbana é imprecisábel por extraordinaria: espazos que se encollen e alargan, visións cruzadas, accesos, formas, texturas, sonoridades, etc. O conxunto é un grande artificio activo e cambiante. Pensar na catedral máis visitada é pensar na secuencia: Praterías, Quintana, Inmaculada, Obradoiro ou viceversa. As prazas do redor, cada cal coa súa misión, existen para que a catedral poida chegar a ser. Diante das portadas principais, a praza envólvese das mellores construcións xerando o baleiro necesario dende onde admirar, por sorpresa, esa fachada á nosa chegada. Un paseo nocturno, cando máis se diferencia o privado do público, e sen xente ou distraccións, descobre outros aspectos máis íntimos. Noutros momentos, a escena urbana é tan extraordinaria que semella irreal, toda esa xente de diante parece actuar para nós. A presenza do monumento obriga a arquitectura da súa contorna á discreción, calidade desexábel pero estraña hoxe. O silencio do seu interior amplifícase e séntese fóra. Obriga a saber comportarse tamén ao construído. É dicir, ao que a catedral é, únese todo o respecto que provoca, edificado ou non. Onde comezan e rematan estes edificios? Arquitectura e cidade son indistinguíbeis no conxunto catedral e contorna, ó contrario de tantos edificios públicos actuais pensados como "obxectos de museo" illados e solitarios. A contorna catedral, como experiencia espacial de significación colectiva, é un continuo onde a arquitectura absorbe cidade para que esta xere actividade. Se como di a teoría urbana: "nada fai tanta cidade como un bo edificio", as nosas catedrais han ser edificios extraordinarios. Non por elas mesmas, mesmo sen entrar nelas, se non pola cantidade de cidade que fabrican. |
NOS_1380 | Ante a diminución dos casos de coronavirus no Reino Unido, os científicos precisan dun lugar con maiores taxas de infección para demostrar a súa efectividade. | A posíbel vacina para o novo coronavirus desenvolvida pola Universidade de Oxford no Reino Unido comezarase a probar en pacientes do Brasil este mes, segundo confirmou o Ministerio de Saúde do país sudamericano, informou O Globo. Expertos do Instituto Jenner da universidade comezaron a desenvolver a vacina en xaneiro en chimpancés e actualmente están a traballar nas fases clínicas con humanos, onde participan 10.000 voluntarios. Ante a diminución dos casos de coronavirus no Reino Unido, os científicos precisan dun lugar con maiores taxas de infección para demostrar a súa efectividade. O conselleiro delegado da farmacéutica AstraZeneca, Pascal Soriot, cuxa empresa chegou a un acordo con Oxford para fabricar millóns de doses, sinalou ao periódico The Times que o maior contratempo actualmente é que "a enfermidade está baixando". Segundo os últimos datos, o Reino Unido rexistrou 281.661 casos de coronavirus e 39.904 falecementos desde que comezou a pandemia. En Brasil, pola súa banda, houbo polo momento 615.870 casos e 34.039 mortes. Resultados en agosto Soriot adiantou que en agosto xa se poderá saber si a vacina en que traballa o equipo da Universidade de Oxford é eficaz. "Mais, unha vez máis, quero lembrar a todo o mundo que dependemos de algo que non podemos controlar, que é o nivel de infección", agregou o directivo da farmacéutica. En maio, AstraZeneca informara de que, de conseguir os resultados esperados, confiaba en poder fornecer o Reino Unido de 100 millóns de doses da vacina durante os meses de setembro e outubro. Doutra banda, nas últimas horas Estados, empresas e entidades de todo o mundo comprometéronse a achegar 8.800 millóns de dólares até 2025 á Alianza Mundial para a Inmunización e a Vacinación, co fin de impulsar a vacinación infantil en países en desenvolvemento e loitar contra o COVID-19. |
NOS_21639 | Están acusados de delitos de "desordes públicas, danos e lesións" en relación coa protesta contra os recortes na universidade acontecida o pasado 14 de marzo na Universidade de Compostela (USC). A denuncia foi presentada por un dos gardas de seguridade presente no Reitorado | Once moz@s, a maior parte deles estudantes da USC, deberán declarar en calidade de imputad@s o vindeiro día 21 por uns supostos delitos de "desordes públicas, danos e lesións" acontecidos nunha mobilización universitaria contra os recortes. Segundo se afirma desde Comités, organización que transmite a súa solidariedade a estes 11 mozos, a imputación está relacionada coa mobilización acontecida o pasado 14 de marzo, " e que provocou a suspensión, durante un par de horas, da sesión ordinaria do Consello de Goberno desta Universidade". O denunciante acusa a est@s moz@s de "empurralo, golpealo e roubar material regulamentario de defensa", ademáis de provocar desperfectos Na denuncia acusaríase a estes 11 mozos de "empurrar, golpear e mesmo roubar material regulamentario de defensa e que, mesmamente, provocaron desperfectos no edificio da Reitoría da USC". Solidariedade "A Brigada Local de Información da Comisaría de Policía de Santiago de Compostela, tras cotexar as imaxes daquela xornada realizadas polos medios de comunicación, chegaron a indentificar a once das persoas alá presentes",afirman desde os Comités. Relacionado con isto último, aseveran, "soubemos xa de erros formais na identificación de cando menos dúas das persoas imputadas". Alén dos Comités, tamén desde Asemblea de Estudantes ou o sindicato CUT, entre outros, están a transmitir nestas horas a solidariedade para cos e coas imputadas. |
NOS_51516 | Once anos despois de que o Parlamento galego decidise iniciar o procedemento para declarar o Museo Carlos Maside, de Sada, Ben de Interese Cultural, na transcendeu de como continúa a incoación desa iniciativa. | En 2010 o Parlamento aprobaba iniciar a tramitación para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, fundado por Isaac Díaz-Pardo e Luís Seoane en homenaxe ao artista referente das creadoras e dos creadores galegos no exilio e nas vangardas artísticas. Hoxe, 11 anos despois de que a principal institución galega tomase aquela decisión, o Museo Carlos Maside aínda non é BIC, e o actual presidente do seu padroado, Segismundo García, oponse a esa declaración porque considera que pode "condicionar os usos do espazo". Mentres o Goberno galego explica que a demora na declaración se debe á realización de estudos arredor do "valor arquitectónico do edificio e da súa situación actual". Alén disto, a Xunta non informou a día de hoxe sobre en que fase se atopa a incoación deste expediente para ser declarado BIC nin tampouco expuxo, ante a petición do Bloque Nacionalista Galego (BNG) esta quinta feira, en que estado de conservación se atopan, tanto o edificio como os seus fondos. Unhas obras que a propia directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, María do Carme Martínez Ínsua, cuantificou en máis de 1.800, entre pinturas, gravados, serigrafías e esculturas, da autoría de 200 artistas. O museo que Isaac Díaz-Pardo e Luís Seoane crearon en 1970 naceu co obxectivo de conservar e exhibir, "partindo de Castelao como xerme da renovación", as obras da arte galega da xeración dos anos 30 "que rompeu coas normas tradicionais da plástica galega". Así, entre as obras que desde entón formaron a exposición permanente da galería, alén das do propio Carlos Maside, Alfonso Daniel Castelao e Luís Seoane, artistas galegos e do exilio e da vangarda como Laxeiro, Xulia Minguillón, Colmeiro, Urbano Lugrís, Asorey ou Maruxa Mallo, entre outros. Un contido que referenda o valor do Museo Maside como galería da arte galega contemporánea e de vangarda pero que non queda aí, senón que é de primordial importancia canto á memoria histórica galega, na medida e que lle dá nome un pintor, Carlos Maside, represaliado logo do Golpe franquista de 1936 ao prohibírselle seguir impartindo clases e exhibindo a súa obra, o que o leva a unha situación de debilidade económica e de "exilio interior", como lembraba en 2017 Mercedes Rozas, comisaria da mostra Retratos, do autor. A crítica de arte contaba, naquela altura, a relación de Maside co exilio exterior galego. "Era para todos os exiliados un referente importantísimo", dicía nunha entrevista a Nós Diario, "hai cartas cos irmáns Dieste, con Isaac, con Seoane e con moitos máis exiliados, o que pasa é que loxicamente tiña que ter moito coidado, porque estaba continuamente vixiado pero aínda así a familia ten cartas moi fermosas cos exiliados". Así pois, o Museo Maside garda no seu interior arte e memoria, tal como fora no seu día a intención de Isaac e Seoane, e por iso "cómpre aplicarlle a protección propia dos BIC", dicía o Consello da Cultura Galega (CCG) nunha declaración de 2018. A institución cultural mencionaba tamén a singularidade do edificio, creado por Andrés Fernández-Albalat, constituído por unha serie de volumes hexagonais de diferentes alturas e con cubertas piramidais. "Consideramos que unha adecuada xestión do museo exixe dotalo de personalidade xurídica que garanta a preservación do contido e a súa posta en valor, difusión e enriquecemento dos fondos", concluía o CCG. Dez anos á espera da declaración BIC para o Museo Maside A portavoz de Cultura do BNG, Mercedes Queixas, preguntou hoxe no Parlamento polas actuacións da Xunta para declarar BIC o Museo Carlos Maside. Iniciativa aprobada en 2010 e "á espera de estudos sobre o valor arquitectónico e a situación do inmóbel", dixo Carme Martínez, directora xeral de Patrimonio. O Parlamento aprobou por unanimidade instar a Xunta a abrir proceso para impulsar a conmemoración do centenario do Seminario de Estudos Galegos en 2023. |
NOS_14582 | O prezo da luz rexistra hoxe unha cotización de 203 euros megawatts. Malia representar unha alza de 175 euros megawatts a respecto de hai un ano, analistas e reguladores públicos dan por feito que a factura eléctrica vai continuar incrementándose até 2023. O Bank of America amósase convencido de que a suba media anual da factura para os fogares ibéricos neste exercicio vai achegarse a 370 euros. Na mesma liña, maniféstase o Operador do Mercado Eléctrico Ibérico (OMIE), quen non agarda unha mudanza substantiva na situación até 2024. | O prezo da luz atópase en máximos e todas as previsións apuntan a un incremento do mesmo até finais de 2023. A esta situación contribúen diversos fenómenos converxentes nos mercados ligados ao sector enerxético, nomeadamente as tendencias alcistas diante do posíbel encarecemento de combustíbeis como o gas natural e dos bonos que gravan o seu uso polo carácter fósil, pero fundamentalmente un sistema eléctrico que permite ás corporacións enerxéticas fixar os prezos dos consumos. Neste sentido, explícanse os beneficios dos principais operadores eléctricos no primeiro semestre do ano, con Iberdrola declarando unhas ganancias netas de 1.531 millóns de euros, Endesa de 832 millóns de euros e Naturgy de 557 millóns de euros. O custo da electricidade na Galiza ten aumentado o 725% no último ano. Así, na última semana, rexistrou cotizacións de 192 euros megawatts a cuarta feira, 204 euros megawatts a quinta feira, 218 euros megawatts a sexta feira, 136 euros megawatts o sábado, 161 euros megawatts o domingo, 201 euros megawatts onte e 203 euros megawatts hoxe. Pola contra, o prezo da luz hai un ano foi de 28 euros megawatts, na tendencia rexistrada nese período, mais cuns valores superiores aos da media da Unión Europea (UE). A factura eléctrica é un 16% máis cara na Galiza que nos Estados centrais da UE, sendo aínda maior o diferencial da tarifa entre os consumidores industriais. O sistema marxinalista busca maximizar o beneficio das eléctricas A totalidade das análises dan por feito unha escalada dos prezos até mediados de 2023. Neste sentido, o Bank of America mantén nun recente informe que "cos prezos actuais, estimamos que os fogares europeos enfróntanse a dous anos consecutivos de subas da factura de electricidade e gas de entre 15% e 30%". Na mesma dirección adianta "un incremento do prezo medio da electricidade de 25% en 2021 e de 11% en 2022, cunha lixeira caída en 2023. Respecto ao gas, o custo pode aumentar o 14% en 2021, o 25% en 2022 e comezar a baixar a finais de 2023". Porén, a entidade financeira advirte que "os prezos da luz continuarán nos niveis actuais até 2024". O relatorio do Bank of America cifra o encarecemento medio anual da factura para os fogares ibéricos neste exercicio en 368 euros pero apunta que "coas medidas adoptadas polo Goberno esta alza reducirase arredor de 281 euros". Ao tempo, a entidade lembra a situación dos grandes consumidores eléctricos, destacando que o prezo da luz para as denominadas electrointensivas marcou no mes de xullo 88,3 euros megawatt fronte a 40,3 euros megawatt de Francia ou 59,2 euros megawatt de Alemaña. Asemade, advirte de que "a práctica a totalidade da electricidade consumida por estes clientes está vendida", até o punto de que Endesa e Iberdrola teñen comprometido o 100% desa enerxía para 2021 e o 75% para 2022. Cambio de tendencia As previsións do Operador do Mercado Eléctrico Ibérico (OMIE) sitúanse na mesma dirección. A este respecto, a presidenta do organismo, Carme Becerril, vén de sinalar que "até 2024 non haberá unha caída substancial dos prezos da electricidade", mais agarda un cambio de tendencia para os últimos meses de 2023 "pola significativa integración da potencia renovábel". Nesta liña reclama un "debate sosegado sobre o mercado ao por maior" e aposta por "non tirar pola borda o esforzo de liberalización do mercado eléctrico e a creación dun mercado europeo da enerxía, algo que pon en risco a implantación de medidas locais". As declaracións de Becerril xorden após anunciar a pasada quinta feira o primeiro ministro francés, Jean Castex, a decisión de intervir o mercado eléctrico. O Executivo galo adianta que "o prezo do gas non poderá ser obxecto de máis aumentos de tarifa despois da alza de 12,6 % da quinta feira". Outro tanto, acontece co custo da electricidade, "cuxo incremento máximo será de 4% no que fica de ano", unha decisión que cuestiona os argumentos empregados por diversos Gobernos europeos, entre eles o español, que teñen negado a posibilidade de fixar un prezo máximo para os consumos enerxéticos. A factura eléctrica é 16% máis cara na Galiza que nos Estados centrais da Unión Europea Os especialistas consultados por Nós Diario asumen unha suba continuada do prezo da luz nos próximos tempos. Así, o membro do colectivo de debate enerxético Bidán Fernando Branco Parga entende que "vai seguir aumentando pola tensión no prezo das materias primas e polas limitacións no acceso ao gas, tras a decisión de Marrocos de fechar o gasoduto do Magreb. Enfrontamos problemas de subministro de gas, e o gas é a aposta para a transición enerxética do Estado español, de carestía e de falla de abastecemento enerxético, o que pode obrigar o Goberno de Sánchez a adoptar medidas que se poden considerar contraditorias co camiño que se estaba levando adiante nos últimos anos". Custos "demasiado altos" "Vai tocar afacerse a uns custos enerxéticos demasiado altos", afirma Branco, quen advirte dun "conflito" sobre a transición enerxética no marco da Unión Europea, que "nun momento de tensións como este decide aumentar os prezos do CO2, cando se trata dun mercado regulado e da súa competencia". O profesor da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela Adrián Dios considera que "os prezos van seguir subindo se non hai unha autoridade que lle impida ao oligopolio eléctrico seguir inflando os prezos e se deixa en mans do mercado a súa fixación". Nesta liña, apunta que "manipular os prezos é moi doado co modelo español, tal é como se pode comprobar coas sancións que veñen impoñendo ano tras ano ás compañías eléctricas por alterar os prezos" e denuncia o camiño seguido polo Executivo. "Eu boto de menos que non se tomen medidas desde o Executivo", sinala Dios, quen crítica que "non se están tomando medidas no sistema eléctrico senón no sistema impositivo, mediante unha transferencia de rendas de ingresos públicos á conta de beneficios das empresas privadas". O modelo eléctrico marxinalista no foco A alza do prezo da luz trae ao centro do debate público a natureza do sistema de fixación dos prezos ao por maior da electricidade. O coñecido como sistema marxinalista, vixente na totalidade dos Estados da Unión Europea e aplicado no Estado español desde 1997, é considerado por parte dos expertos consultados por Nós Diario como un modelo que favorece as grandes compañías eléctricas fronte aos consumidores e a causa principal da suba da electricidade. Adrián Dios sinala que "o sistema marxinalista vai funcionar mal sempre". Neste sentido, lembra que "o modelo foi exportado ao Estado español desde California e Reino Unido, onde xa non está vixente". "Ten moitos problemas", apunta Dios, quen significa que "está pensado para maximizar os beneficios empresariais non para favorecer a eficiencia do sistema eléctrico, a produtividade nin os intereses dos consumidores". Así, amósase convencido de que "onde hai que actuar é no sistema de fixación de prezos, suprimir o modelo marxinalista e volver a un modelo onde a administración, e non as eléctricas, fixe o prezo". Fernando Branco entende que "mantendo o actual modelo marxinalista hai moi pouca marxe de xogo para facer fronte ao oligopolio eléctrico". "O domingo a auga marcou o prezo máis alto en 23 de 24 horas do día, o que é unha autentica perversión, xa que a auga é unha das tecnoloxías máis baratas de produción de eléctrica". O asesor enerxético Xosé Manuel Golpe aposta por "unha reforma integral do sistema eléctrico". "A Unión Europea continúa co mantra de que o modelo marxinalista funciona, pero isto só é así onde hai competencia entre os xeradores, algo que non acontece no Estado español, pois aquí o mercado segue en mans dos mesmos que o controlan desde hai 40 anos", destaca Golpe, quen denuncia "pactos entre as propias empresas para fixar os prezos". "Non hai competencia", afirma Golpe, "hai un acordo tácito entre elas para subir e baixar o prezo cando interesa". |
PRAZA_17503 | ENTREVISTA Lupe Gómez gañou o Premio da Crítica española, na modalidade de poesía en galego, con Camuflaxe, editado en Chan da Pólvora | A poesía como arma dos pobres. A dignidade das mulleres rurais. O vínculo emocional e profundo coa nai, e coa terra. A morte como "lugar de acción", de reactivación da memoria. A aldea como lugar combativo, nunha nación non marcada, contra o tópico, pola submisión. O amor pola Lingua. Todo isto, e moitas máis cousas, é Camuflaxe, o último poemario de Lupe Gómez (Chan da Pólvora). Di ela mesma que agora é "moito máis coidadosa" coas palabras, máis esixente consigo mesma como poeta. O tempo pasa. E a vida manca. Camuflaxe, explica a súa autora, é un libro "máis duro, máis amargo, e tamén máis sereno, máis decantado, pois percorre toda unha vida". Pouco máis hai que dicir. Se queres podemos comezar polo título e polo deseño do libro: o título, Camuflaxe, agocha, e ao mesmo tempo deixa entrever, unha fotografía moi especial: a da túa bisavoa. Podes explicar o título e o deseño? (O segundo é de Manolo Martínez). A fotografía da miña bisavoa Pepa da Visa está cargada de enerxía telúrica. Esa imaxe di moitísimo máis do que eu podería dicir aínda que usase tódalas palabras e tódolos silencios do mundo. Exprésome con palabras, e tamén con silencios. Por iso estiven calada durante seis anos e regresei con Camuflaxe. O título fai referencia a que dalgún xeito, as persoas mortas están, permanecen camufladas dentro das persoas vivas. Os mortos viven con nós, camiñan con nós, fálannos e están moi presentes, moi brillantes. "Os mortos viven con nós, camiñan con nós, fálannos e están moi presentes, moi brillantes" Tamén os vivos estamos camuflados dentro dos mortos. Creo que a cultura galega, e tamén a lingua, viven un pouco escondidas, camufladas. Manolo Martínez é un deseñador extraordinario. Tratou este fillo-libro meu con moitísimo agarimo e deixoume participar activamente no proceso de deseño. Ao final do libro quixemos poñer unha pequena foto, un pequeno detalle das mans fortes, grandes, da miña bisavoa. "Creo que a cultura galega, e tamén a lingua, viven un pouco escondidas, camufladas" Esas mans que agochan todo un mundo, toda unha liturxia, e que dalgún xeito escriben, paren e reescriben o libro da súa bisneta. As nosas devanceiras, aínda que sexan analfabetas, escriben poemas nos que a terra ule como algo limpo, algo que vale a pena gardar, rescatar e salvar. As súas mans seguen sachando na escuridade, e nós como herdeiras só temos que deixarnos levar... Contaches na presentación do libro compartida con Emma Pedreira, tras anunciarse os Premios da Crítica, que non podías crelo porque pensabas que "un premio tan lindo nunca podería chegar ás miñas mans". E relacionábalo, quizais, co que dicías despois, que sempre foras unha "escritora controvertida na paisaxe cerrada da literatura galega". Por que pensabas que era un premio inalcanzable? Nos últimos anos vivín unha situación de desamparo e certo desánimo. Pensaba, e aínda sigo pensando, que o que me gustaría facer é abandonar a miña carreira literaria. O editor de Chan da Pólvora, Antón Lopo, tivo que petar con moita forza na miña gorxa, para que eu decidise botar fóra o que levaba dentro. Non teño esas ganas de publicar libros que tiña cando era nova. Non teño ese estrés. "Penso que os xurados dos premios literarios galegos non apostan moito pola miña poesía, quizais porque sae das marxes" Tamén penso que os xurados dos premios literarios galegos non apostan moito pola miña poesía, quizais porque se sae das marxes, e porque para algunha xente o que eu fago está moi mal visto, mal considerado. Afortunadamente, tamén teño lectores que me queren e se entregan ás miñas palabras con ese amor absoluto que está escrito e gravado no meu sangue. Ter lectores é como ter moitos amores. É marabilloso. "Sigo desanimada e con ganas de desaparecer da vida pública, pero nunca deixarei de escribir" Agradecín moitísimo o Premio da Crítica pois resultou docemente balsámico para min, para impulsar o vento que baila como un volcán de risas nas miñas palabras. Agora escribo co impulso dun amor máis profundo. Recibín nestes días moitísimas mostras de cariño, moitas felicitacións, moitos agasallos, moitas cartas. Sorprendeume moito todo ese mar cálido que veu para pousarse no meu corazón, e para darme azos, folgos, forzas. Sigo desanimada e con ganas de desaparecer da vida pública, pero nunca deixarei de escribir, pois é unha respiración necesaria. Cara ao final de Camuflaxe hai un diálogo no que "A escritora" lle di a "Emilio do Ferrador": "Escribo da desaparición da nosa aldea de Fisteus, dos idiomas marabillosos da nosa xente e dos nosos cabalos". E logo: "Constrúo a arma dos pobres". Ao ler isto, pensei que podía ser un bo resumo do que é Camuflaxe. E toda a túa obra. Por que Camuflaxe é un xeito de construír "a arma dos pobres"? Cando vou camiñar pola miña aldea, sempre me sucede unha cousa que a min me parece totalmente máxica, sorprendente e embriagadora. Acórdome moito dos escritores John Berger, e Neira Vilas, dos seus libros e das fermosísimas cartas que eles me escribían. Acórdome moito do meu amigo e veciño, o velliño Emilio do Ferrador, que tiña máis de 90 anos cando morreu, e que sempre camiñaba e falaba comigo. "Acórdome moito dos escritores John Berger, e Neira Vilas, dos seus libros e das fermosísimas cartas que eles me escribían" Era como o meu corresponsal. Encantábame atopalo. El facíame preguntas. Eu preguntáballe cousas e facíalle fotos. Cando camiño na miña aldea, e busco os camiños interiores, as carballeiras profundas, as corredoiras preciosas e estreitas, sucede sempre que me namoro... Namórome moitísimo da miña aldea. Brincan os paxaros dentro de min. Creo que é como un don que teño. Son persoa moi namoradeira e moi cantareira. "Para min camiñar é unha forma de recoller, buscar, procurar a Memoria" Sucédeme cos lugares, e tamén coas persoas. Para min camiñar é unha forma de recoller, buscar, procurar a Memoria... O resplandor dos recordos é un faro brillante que emociona como imán, e que nunha sociedade tan "desmemoriada" como a nosa, funciona marabillosamente como unha arma. A Memoria magnetiza e ofrécenos luz, esperanza, camiños abertos. Na mesma presentación do libro tras o Premio da Crítica -o texto está recollido no blog de Ramón Nicolás- dicías que escribir os versos "preñados de silencio e maxia telúrica" de Camuflaxe, ao tempo que observabas a túa aldea, che levou uns dez anos. Despois, coa perda da túa nai, "naceu un lume moi grande no monte". Eu lin este libro como unha -fondísima- declaración de amor á túa nai e a Fisteus. Definiríalo así? Si, eu tiña un vínculo emocional moi poderoso e profundo coa miña nai e tamén teño moitísimo arraigo na terra. Ao facerme maior sinto que a terra chama por min, que necesito regresar á miña orixe, ás raíces. Camuflaxe é un libro escrito coas entrañas. Cando morreu miña nai, o 20 de xaneiro de 2013, era unha noite fría de domingo, e naceu un lume moi grande no monte. Foi como unha explosión de vida, de enerxía, de parto doloroso. "Ao facerme maior sinto que a terra chama por min, que necesito regresar á miña orixe, ás raíces" Creo que a morte non é unha rendición, nin unha dimisión. Non é algo pasivo nin "morto", pois serve para reactivar a memoria das persoas que quedan vivas. Creo que a morte é un lugar de acción. Había moita neve cubrindo toda a aldea cando enterramos a miña nai, e eu lembrei aqueles versos tan limpos de Novoneyra: "Neva pra atenuar o mundo". "Sentín que a miña voz era máis forte, máis fráxil e máis íntima que nunca. A morte é un lugar comprensivo" Puiden falar e recitar en galego, na misa do funeral, e para min foi un momento extraordinario. Quérolle moito á nosa deliciosa igrexa románica de Fisteus, pois creo que é un lugar precioso para despedirse para sempre dunha nai, rodeadas e arroupadísimas pola xente da nosa aldea. Naquel íntimo e pequeno recital, naceu, estoupou, vibrou toda a semente poética de Camuflaxe. Sentín que a miña voz era máis forte, máis fráxil e máis íntima que nunca. A morte é un lugar comprensivo. En Enerxía secreta, a que poderiamos considerar a primeira parte do libro Camuflaxe, a voz poética fala coa nai: "Paríchesme e a luz/ inundoume a cara". Fala do nacemento, dos primeiros anos da infancia e da familia: a nai, o pai, o avó… As figuras familiares xa estaban moi presentes nas túas obras anteriores: por exemplo, Fisteus era un mundo', Pornografía ou Quero bailar. Que é a familia en Camuflaxe en comparación con Fisteus era un mundo? Como se relacionan familia e liberdade? En Fisteus era un mundo aparece tamén esa descrición dunha infancia moi vital, en estreita relación coa natureza, sempre como se a miña aldea fose un planeta moi "eléctrico". Creo que Camuflaxe é un libro máis duro, máis amargo, e tamén máis sereno, máis decantado, pois percorre toda unha vida, e observa xa a nai que se vai facendo anciá, e eu xa non son unha "nena" tan inocente e tan despreocupada. Pois a vida vai mancando, vai marcando e vai ferindo, silenciosamente, pouco a pouco, como os ratos que roen toda a noite nas nosas roupas, mentres nós tentamos coller o sono. "Creo que Camuflaxe é un libro máis duro, máis amargo, e tamén máis sereno, máis decantado, pois percorre toda unha vida" Fisteus era un mundo foi escrito aos 28 anos e tiña un ton máis celebratorio, máis infantil e xuvenil. En Camuflaxe aparece a elexía, a necesidade de deixar testemuña da agonía, do final dun ciclo, da extinción. Non resulta fácil acompañar á nai moribunda, e axudarlle a morrer, acompañala neses días últimos. Creo que a familia pode atarnos, cegarnos, doernos, limitar as nosas posibilidades de liberdade, pero estou segura tamén de que a familia é un porto de abrigo, unha retagarda necesaria, un lugar onde cantan todas as aves como se tiveran música de violín dentro dos seus ollos. "Para min a familia segue sendo como unha corte de vacas, co ruído das falas, o amor do toxo, o calor da bosta" Na nosa casa vella, lembro que as vacas convivían coas persoas en perfecta harmonía, e para min a familia segue sendo como unha corte de vacas, co ruído das falas, o amor do toxo, o calor da bosta. Recordo cando todos os días estrabamos a corte das vacas para que elas tivesen toxo limpiño debaixo dos seus pés, para que se sentisen cómodas como nun palacio. A corte das vacas era como a nosa sala de estar. Non tiña alfombras nin sofás, pero para min era un niño moi amoroso. Era tamén un lugar onde a miña imaxinación voaba por enriba das nubes, por debaixo do mar e da terra. Alí nacían os becerros e muxiamos os tetos das vacas para que nos desen leite, o alimento sincero das nosas vidas. "A corte das vacas era como a nosa sala de estar. Non tiña alfombras nin sofás, pero para min era un niño moi amoroso" "Ti non tiñas soños/ porque as mulleres da aldea non soñan./ O atraso económico de Galicia/ era unha forma de vangarda artística", di un dos poemas. Máis adiante, outro di: (referíndose á nai): "O teu mundo non existía nos mapas./ As túas entrañas eran totalmente secundarias/ invisibles". As entrañas dunha muller que traballaba, colorada, sen parar, que choraba sen bágoas e falaba, diante do médico, sen palabras. A crítica ten salientado moito o xeito no que a túa obra achega unha mirada crítica sobre o rol e o status das mulleres no rural (e non só no rural). Que pode haber diso en Camuflaxe? Coa miña poesía tento facer unha homenaxe a miña nai e a todas as mulleres rurais, pois pasan como desapercibidas, traballan moito. Esas mulleres teñen a terra dentro das súas unllas, nas súas fazulas, nos seus ollos, no seu sangue. Eu véxoas moi curtidas, moi forxadas pola vida, como se fosen moi duras e moi fráxiles, con moita forza bruta e con moita tenrura. "Camuflaxe quere ser unha reivindicación da dignidade das mulleres rurais como seres humanos" Gústame falar delas con delicadeza lírica, e ao mesmo tempo expresar a dureza e a intemperie das súas vidas. Camuflaxe quere ser unha reivindicación da súa dignidade como seres humanos. É como se eu vivise camuflada dentro da miña nai, e aínda que viva na cidade de Santiago, sigo considerándome muller rural, nun sentido que non nos fai máis pobres, máis locais, nin coas nosas mentes "cerradas", senón que nos fai universais e que nos libera. Son as mulleres da Montaña. Son duras pedras, son patacas novas da semente. Sen elas o océano non tería sentido, nin bailarían as estrelas no ceo, nin teríamos prados de herba verde. En As fontes salvaxes do paraíso está moi presente a imaxe da nai que fai queixos, quedando ás veces durmida, nunha aldea que "brillaba, como unha guerrilleira/ do Vietcong". Neste libro, a aldea brilla, a nai semella feliz "nun mundo moi pequeno", os nenos corren e bailan libres e todos son como artistas de happening nun "inmenso campo de maínzo". Hai moita luz, moita enerxía e, sobre todo, moita vida. Tense discutido moito sobre o suposto "ruralismo" dos teus versos. Mais non creo que haxa -e neste libro tampouco- mitificación ou idealización da aldea. Non pretendo nin quero mitificar a aldea, pois é un mundo interior, moi pechado, no que a vida en comunidade chega a ser asfixiante ás veces, como sucede tamén en outros ámbitos non rurais. Pero si que teño a intención de darlle importancia e valor a ese mundo que non se considera valioso. Co cura Víctor Naveira teño feito moitas pequeniñas charlas alí na igrexa para os meus veciños, e para nós era totalmente máxico, porque eu sempre lles dicía cousas bonitas, para elevar a súa autoestima, para ensalzalos. "Co cura Víctor Naveira teño feito moitas pequeniñas charlas alí na igrexa para os meus veciños, e para nós era totalmente máxico" Eles poñíanse contentos e dicíanme: "Gracias porque sempre nos das un impulso cara adiante". Non me sinto nada identificada coa definición de "ruralismo". Prefiro traspasar as fronteiras, deixar que o mundo voe, considerarnos todos artistas nun inmenso campo de maínzo. Esa aldea que brilla como unha guerrilleira do Vietcong é un lugar moi combativo. "Esa aldea que brilla como unha guerrilleira do Vietcong é un lugar moi combativo" Faime lembrar o poema "Vietnam Canto" de Novoneyra, no que el escribía: "dá vergonza estar vivo e ver a primavera/ cando remata un pobo?/ un pobo nace sempre/ non remata nunca". Non creo que Galicia sexa un pobo morto, submiso e calado. Creo que somos unha nación loitadora, enérxica, vital, cunha electricidade única, diferente. Son esas luces do Norte que enchen os camiños da terra pola mañá... "Non creo que Galicia sexa un pobo morto, submiso e calado. Creo que somos unha nación loitadora, enérxica, vital, cunha electricidade única, diferente" Un dos poemas de O límite de Galicia fala de Galicia nestes termos: "Os nosos montes nunca serán paisaxes"./ "Nas cortes das vacas non hai dicionarios nin gramáticas". Noutro poema de Camuflaxe fálase dunha casa sen biblioteca, sen libros de texto. En Poesía fea dicías: "Son unha nena nunha casa sen biblioteca. Non me criei nun ambiente intelectual. Crieime na merda". E en Os teus dedos na miña braga con regra, "Quería ver poesía/ chea de merda/ e fun esa poeta maldita/ chea de merda". Por que segues a sentir necesidade, dalgunha maneira, de salientar iso? A min gústame moito facer memoria e recordar cousas que parecen mortas, camufladas, e que cando volven de novo ao meu pensamento, son como sorpresas que me iluminan totalmente. Para min os recordos son como revelacións poéticas. Son chispazos ilusionantes. Recordo que miña nai e mais eu iamos ás feiras de Curtis, os días 9 e 23 de cada mes, e facíamos as nosas compras necesarias para vivir, resistir. Eran para min ocasións moi luminosas para sentirme como unha amiga moi íntima da miña nai, e tamén para falar coa xente, e rir, soñar, pasear pola feira adiante. "A min gústame moito facer memoria e recordar cousas que parecen mortas, camufladas" Recordo que sempre comprabamos o meu material escolar na droguería. Os libros de texto, os lapis, as gomas de borrar, os bolígrafos Bic, as pinturas Alpino, as libretas... todo aquilo que a min tanto me gustaba, aparecía mesturado co xabrón de lavar a roupa, co champú, coas colonias e con todas esas cousas tan limpas, tan brillantes, con tan bos arrecendos. Para min unha droguería segue sendo agora como un templo do coñecemento, da sabedoría, da superación persoal. "Non tiven unha formación artística, nin clases de música nin de danza. Pero aproveitei moi ben os recursos que estaban á miña disposición" Eu era moi aplicada, estudosa. Sacaba sobresaíntes en todas as materias. Esforzábame moitísimo e era totalmente constante. A miña paixón era estudar, aprender. Nunca deixei de ser así. Conservo intacta aquela emoción de entrar na droguería coa miña nai e comprar un libro. Unha simple libreta era unha auténtica marabilla. Non me criei nun ambiente de persoas intelectuais, con bibliotecas estupendas ás que eu puidese acceder. Non tiven unha formación artística, nin clases de música nin de danza. Pero aproveitei moi ben os recursos que estaban á miña disposición. "A Lingua resiste no estómago dun agricultor morto", di Camuflaxe, que contén varias alusións á lingua e ao idioma. Consulto a voz "Lingua" no dicionario sobre a túa poética que fixo Arturo Casas en Lupe Gómez: libre e estranxeira e pon: "O tacto por dentro". Que é a lingua en Camuflaxe? Para min o tacto é importantísimo. Teño sempre ese costume de querer tocar todo e acariciar todo coas mans. É como un xeito de manterme viva, namorada e apegada á realidade. Fóra dos mundos dixitais, das redes sociais. Cerca da pel da xente, escoitando as palabras das outras persoas. Se hai algo que lle dá moitísima coherencia a toda a miña obra, pois é algo que estivo presente desde os meus inicios e que nunca desapareceu nin minguou, foi e segue sendo o meu amor grandísimo á Lingua. "Se hai algo que lle dá moitísima coherencia a toda a miña obra, foi e segue sendo o meu amor grandísimo á Lingua" Cada día novo, quérolle máis, moito máis, cun amor inmenso. Se escoito a alguén falar galego, sinto como un benestar moi grande na miña pel. É como unha curación dermatolóxica. Faime moito ben. O estómago do agricultor morto segue vivo e camuflado, falando galego, dentro doutros estómagos de persoas, homes, mulleres, nenos e nenas que viven con nós na cidade, no mar, nas aldeas, nas vilas, nos avións, nos mapas, nas escolas, nos bosques.... "Nunca esquecerei quela voz, a do meu pai, que nunca berraba nin se enfadaba e que me trataba como se eu fose unha nena poeta" Se me falan en galego, namórome moito e síntome moi viva. Recordo que ao agricultor morto, que era o meu pai Ramón, brillábanlle moito os ollos. Tiña uns ollos preciosos, poéticos, marróns, brillantes. Eu nunca esquecerei a súa fala galega, o brillo da súa mirada, a súa voz. Aquela voz que nunca berraba nin se enfadaba e que me trataba como se eu fose unha nena poeta. Aquel pai que cantaba longuísimos romances cando iamos xuntos coas vacas, cando quentaba o sol... Era pouco falador, e ao mesmo tempo tiña o grandísimo don da palabra e da música. Unha noite soñei que el me regalaba un papel branco no que aparecía escrita a letra dunha canción. Aquel pai cantareiro segue camuflado en min... As vacas están presentes, por suposto, en Camuflaxe, como en toda a túa obra. Dicías en 'Fisteus era un mundo' que as vacas son a radiografía da nosa identidade. En Camuflaxe, "Os ollos das vacas están cheos de fundamento". Por que teñen tanta importancia as vacas nos teus libros e que son en Camuflaxe? As vacas son como deusas budistas. Son a miña crenza máis fiel e profunda. Son as miñas mestras. E ao mesmo tempo eu son a súa pastora e teño que coidalas todas as tardes. Representan para min a Beleza Artística, a contemplación mística. Son como modelos de comportamento, pois sempre demostran ter moita paciencia, moita educación e moito saber estar. Elas pacen herba, e eu escribo e miro para elas e para o ceo. O tempo detense, dilátase, medra, faise infinito. "As vacas son como deusas budistas. Son a miña crenza máis fiel e profunda. Son as miñas mestras" Eu creo nesa relixión das vacas, e de tanto estar con elas, coidándoas, síntome vaca moitas veces. Elas miran para min e séntense como escritoras. As chousas, as camposas, os prados son como cadros de artistas moi refinados. Os ollos das vacas son refuxios dos que nunca sinto necesidade de escapar. Falar con elas, e tamén cos cabalos, é un gusto grandísimo. Representan a concordia, o trato cordial, o bo entendemento. Para min as vacas son grandes comunicadoras. "Os ollos das vacas son refuxios dos que nunca sinto necesidade de escapar. Falar con elas, e tamén cos cabalos, é un gusto grandísimo" Pasaron xa moitos anos, desde aquelas afastadas tardes da infancia, nas que eu tiña ese traballo, esa ocupación de pastorear. Pero é curioso, porque agora, aínda que viva na cidade lonxe deses animais amados, todas as tardes teño a sensación interior de estar rodeada de vacas. Se estou traballando, lendo os xornais, nunha cafetería, eu imaxino que as persoas que me rodean son vacas, e a miña obriga máis profunda nesta existencia é mirar para elas, coidalas, tornalas, afalalas, facerlles compañía para que se sintan ben e a gusto, sen estrés nin dor, e para que así dean bo leite. Lupe Gómez: libre e estranxeira, publicado no 2013, é un ensaio moi importante para comprender a túa obra. Dixeches na presentación de Camuflaxe que este libro che fixera "ser máis consciente de min mesma, máis responsable, máis adulta e lúcida". Por que? Xunto coa morte da miña nai, ese ensaio marca un límite, un antes e un despois na miña vida. É un estudo da miña obra feito con moito cariño, moito rigor e moita fondura. Non o releo moito, non volvo sobre el, pero si é certo que fortaleceu moitísimo a miña creación, o meu discurso literario. Como se me fixera maior, e deixara atrás outra etapa de xuventude. "Creo que agora son máis responsable das miñas propias palabras, e moito máis coidadosa, máis esixente comigo mesma" Creo que agora son máis responsable das miñas propias palabras, e moito máis coidadosa, máis esixente comigo mesma. Os poemas da mocidade eran como arrebatos, descargas eléctricas, e non facía moita revisión dos textos nin moita reescritura. Agora encántame deixar descansar as palabras, e que pase o tempo sobre elas, e que vaian atopando o seu pouso, a súa verdadeira medida, o seu peso, a súa madurez, a súa transparencia. Neste mesmo libro, Ana Bela Simoes de Almeida e Burghard Baltrusch vén na túa poética un ritual "(neo)surrealista", "libertario" e "existencialista". Identifícaste con esta definición? Por que? Si, identifícome plenamente. Encántame o surrealismo para rir e sorprender, para comprender a vida, para mirar todo a través dun cristal absurdo, para regalar versos, aire e auga vital das fontes. Síntome existencialista porque me gusta filosofar, pensar, cavar, profundar cada vez máis na terra e no abismo. "Síntome existencialista porque me gusta filosofar, pensar, cavar, profundar cada vez máis na terra e no abismo" Son libertaria pois síntome identificada con aqueles versos estupendos de Rosalía de Castro, nos que ela dicía: "Dende aquí vexo un camiño/ que non sei adónde vai;/ polo mismo que n´o sei,/ quixera o poder andar." Gústame esa aventura de estar sempre buscando novas fórmulas para a escrita. Ás veces en Fisteus déixome levar por camiños interiores que non sei a onde van, e polos que eu nunca camiñei. Resultan sempre sorprendentes, aínda que sexan camiños moi vellos, moi antigos. A nai lava roupa azul na auga verde en Camuflaxe. Aínda que este é un libro se cadra máis vermello -como a sangue- e amarelo -coma a luz ou o ouro- que azul. Nun dos teus libros reivindícaste Azul e estranxeira. Por que? É o azul a cor da felicidade, da alegría? Teño unha ilusión grande cando miro e admiro as cores do mundo, como se fose aínda algo infantil. Desfrutei moito coa lectura da obra Do espiritual na arte de Kandinsky. Nese libro o autor di que "o son do azul nunha forma profunda e solemne pode compararse ao do órgano". Relaciono moito as cores coa música, coa arte, coa liberdade, coa alegría de vivir. Non vexo a vida gris, nin branca e negra, senón como unha explosión divertida de cores luminosas. "Non vexo a vida gris, nin branca e negra, senón como unha explosión divertida de cores luminosas" Para min o azul é nostalxia de violín, amor de elefante, océano orgulloso, país estranxeiro. O azul é a carta dun amigo, e tamén a roupa dun bebé. É moitas cousas para min. Sobre todo, sinto paz cando miro unha cousa azul. Estes días de verán escribo nun caderno azul que me regalou un admirador. O vermello é o sangue, o vitalismo, a forza, a paixón de cantar. A luz do ouro é esa xoia, ese ser querido, esa nai que resulta valiosa. Cando perdemos á nai, a súa memoria faise fondísima como unha lámpada moi brillante e branca. De Levantar as tetas di Arturo Casas en Lupe Gómez: libre e estranxeira que pode ser un libro máis performativo, máis "político", máis "dirixido ás mulleres atravesadas por unha patria". Estás de acordo? En que sentido é político Camuflaxe? Por que a lareira é política? Si, creo que Levantar as tetas, xa desde o seu título, é un libro moi desafiante, moi atrevido, e ao mesmo tempo é tamén un libro moi espido, moi sentido, moi fráxil. Con todos os meus libros quixen sincerarme como muller, como poeta, pero respectándome a min mesma e aos outros. A miña intención nunca foi ferir sensibilidades. Sempre busquei espazos abertos, aire puro, ceos abertos, lugares democráticos. Agora cando miro para atrás e lembro libros como Pornografía ou Os teus dedos na miña braga con regra, recórdoos con moitísima tenrura e moito amor. Creo que Camuflaxe é político porque expresa unha emoción moi forte. A tensión grandísima que queda pousada na filla cando perde a súa nai. Creo que a perda, a dor, sempre teñen un trasfondo político. Sempre me gustou aquel agudo verso de Novoneyra: "Inda a bágoa máis pura máis sen dirección acusa ó poder". Camuflaxe tamén é político porque berra, denuncia e protesta contra a extinción dun mundo, dunha cultura. Quere deixar constancia desa agonía... "Camuflaxe tamén é político porque berra, denuncia e protesta contra a extinción dun mundo, dunha cultura. Quere deixar constancia desa agonía" Cando teño problemas, dores, pesares profundos, o meu grandísimo amigo Emilio Araúxo sempre me recomenda que transforme todas esas tristezas en poesía. Creo que a lírica pode ser un poderoso artefacto para expresar sentimentos inexpresables. A lareira é un lugar de xuntanza, de conversa silenciosa, de pensamento e de solidariedade... Eu recordo ter pasado moito tempo na lareira, sentada no tallo, e deixándome levar polo lume, pola lapa, polas charamuscas. A lareira é un lugar político porque o pensamento, e a meditación, son formas de activismo. "A lareira é un lugar político porque o pensamento, e a meditación, son formas de activismo" Algo máis que queiras comentar sobre outros proxectos? Contábasme que estás coa edición de Pornografía en español, de Camuflaxe en español e inglés, que estabas a preparar un epistolario con Alvarellos ou a reedición de Fisteus era un mundo, ademais dun novo poemario. Queres falar un pouco de cada un destes proxectos? Son proxectos moi ilusionantes, e direiche unhas breves pinceladas sobre cada un deles. Pornografía vai saír publicado na editorial segoviana La uÑa RoTa. A súa tradución ao español fíxoa a poeta e amiga Luz Pichel, con grandísimo esmero e grandísima delicadeza. Camuflaxe tamén vai saír en español, traducido por Antón Lopo, na editorial madrileña Papeles Mínimos. As poetas e os poetas españois pídenme insistentemente este libro meu. Queren ter a miña poesía en castelán, e poder celebrala, divulgala, compartila, espallala. "Camuflaxe tamén vai saír en inglés, traducido por Erín Moure. Conta cun editor de Estados Unidos que está totalmente entusiasmado" Camuflaxe tamén vai saír en inglés, traducido por Erín Moure. Conta cun editor de Estados Unidos que está totalmente entusiasmado e xa quere publicalo para principios do 2019. Teño ganas de publicar o meu epistolario Fosforescencias coa editorial Alvarellos, pois a carta é o meu xénero preferido, e dalgún xeito representa a raíz fundamental de toda a miña obra literaria. Son cartas escritas nos anos 2011 e 2012. Recollen un tempo de moitas decepcións e tamén de mudanzas, esperanza e conversas moi emotivas. "A carta é o meu xénero preferido, e dalgún xeito representa a raíz fundamental de toda a miña obra literaria" Aparecen cartas de amigos meus como Antonio Gamoneda, Neira Vilas ou Xohana Torres. Con Chan da Pólvora temos en proxecto facer a reedición de Fisteus era un mundo, incorporando unhas fotografías que fixen a xente velliña da miña aldea nos anos 90, cando eu estudaba Periodismo. Teño rematado un poemario inspirado nos cantares do meu amigo Amancio Prada. É como unha carta de amor para el e para a cidade de Santiago de Compostela. Teño tamén inédito un libro de contos moi surrealistas, nos que falo de Fisteus e do meu barrio Basquiños de Santiago. Revisei, corrixín e reescribín este libro coa fértil axuda da miña amiga Anxos Sumai. Nunca deixo de escribir, bailar e vivir. |
PRAZA_16557 | O 13 de marzo de 1918 os disparos da Garda Civil acabaron coa vida de sete persoas en Sedes (Narón), onde este martes foi instalado un monumento que homenaxea a súa memoria. Este domingo terán lugar os actos centrais de conmemoración do centenario da Revolta das Pedradas. | Revolta das Pedradas, 1918: O día que a fame puido máis que o medo Un día coma hoxe, hai 100 anos, a Garda Civil matou sete persoas no campo da feira de Sedes (Narón), onde se celebraba a Feira do 13, despois de cinco días de protestas na comarca por mor do incremento dos prezos dos produtos de primeira necesidade. No centenario daqueles feitos este martes instalouse unha escultura que homenaxea ás e aos protagonistas daquela revolta e ás vítimas da represión. Ou, máis ben, recupérase a estatua, pois ese mesmo lugar xa acolleu dende 1933 e ata a Guerra Civil, un monumento de homenaxe, suprimido trala vitoria franquista. Este domingo 18 de marzo a parroquia de Sedes acollerá os actos centrais do centenario da Revolta das Pedradas, un amplo conxunto de actividades organizados pola Comisión da Revolta Popular Marzo 1918. Ao longo de todo o día haberá unha charla-coloquio, un recital poético, xantar popular, música a cargo de Quinindiole e Mini e un taller da memoria a través do que veciños e veciñas contarán a súa memoria oral sobre os feitos e as súas consecuencias nas décadas seguintes. "Non se trata só de volver levantar un monumento, senón de volver poñer en valor a parte de historia de Narón que estaba soterrada, que se deixou de contar durante moitos anos" "Non se trata só de volver levantar un monumento, senón de volver poñer en valor a parte de historia de Narón que estaba soterrada, que se deixou de contar durante moitos anos. Aquí morreron varias persoas porque pedían un prezo xusto polo seu produto para dar de comer ás súas familias. Entendemos que o pobo de Narón lles debemos esta homenaxe e moitas máis. E entendemos que esas persoas deberían ser un exemplo de valentía, de como un pobo se levanta contra o poder para pedir xustiza", destacou Lidia Romero, presidenta da Comisión da Revolta Popular Marzo 1918. 13 de marzo de 1918, día da matanza A comarca de Ferrolterra levaba cinco días de revolta, iniciada o 8 e o 9 de marzo por un grupo de mulleres en Neda e na parte naronesa de Xuvia, en protesta polo elevado prezo do pan e outros produtos básicos. Os disparos efectuados por varios comerciantes son respondidos con pedradas a cargo das mulleres; dúas delas (Josefa Noval Luaces e Rosa Tenreiro Ameijeiras, ambas de Neda) sofren feridas graves de bala, tras recibir disparos na cabeza. Ante o acontecido o día anterior, organízanse comisións de mulleres e decídese cortar a subministración de alimentos e materias a Ferrol. O 11 de marzo únense á protesta as mulleres de Ferrol, Serantes e doutros concellos limítrofes. Están cortadas todas as rúas de acceso a cidade, así coma o porto e a estación de tren. Hai un paro xeral no estaleiro e o arsenal e unha manifestación é dispersada a tiros, provocando a morte dun neno de 12 anos (Juan Torres) e dun mozo de 16 (Valentín Dapena). O exército toma as rúas de Ferrol. O 13 é día de feira en Sedes. O alcalde e algúns concelleiros de Narón son acusados de acaparadores e de querer vender trigo por riba dos prezos fixados. A protesta focalízase na casa do alcalde Juan Fernández Lamas contra a cal a multitude arroxa pedras. A Garda Civil, ás ordes do tenente Pedro Alcaide, dispara sobre os e as manifestantes causando polo menos 7 mortos e centos de feridos. Entre os falecidos atópanse Francisco Delgado Vilanova (Loira, Valdoviño), Valentín Muiño, Manuel Romero Romero (Sedes, Narón) e María González Fernández (Anca, Neda). O 13 de marzo a Garda Civil, ás ordes do tenente Pedro Alcaide, dispara en Sedes sobre os e as manifestantes causando polo menos 7 mortos e centos de feridos Ao día seguinte as protestas continúan, redobradas pola brutalidade amosada polas autoridades. Desde Ferrol sae unha manifestación de 6000 obreiros a levar unha coroa de flores ata Sedes en homenaxe as persoas vítimas dos sucesos do dia anterior, mentres as mulleres seguen coas protestas. Os trens a Ferrol son escoltados por tropas, o cal non evita que sexan asaltados por mulleres en Perlío e Maniños (Fene), onde estas se deitan nas vías para obrigalos a deterse. Nos seguintes días as noticias de prensa fanse eco dalgunha morte dos diferentes feridos e feridas, así coma dos procesos de toma de declaracións, detencións e postas a disposición militar de moitas persoas. |
NOS_35474 | Pablo Sánchez (A Coruña, 1978) é portavoz da asociación "Jimmy, Sempre con nós", creada "para que non lle falte nada ao fillo de Jimmy e para que non quede impune o asasinato fascista". Conversamos con el sobre os feitos que tiveron lugar no Manzanares aquel 30 de novembro de 2014. | Unha das reclamacións principais da asociación é a da xustiza. Por que consideran que no caso Jimmy non hai xustiza? Porque hai moitas cuestións que así o din. Empezaron dicindo que houbera unha quedada cando non había proba ningunha e cando a propia investigación policial concluíu que non era unha quedada, senón unha emboscada. Os detidos foron os apuñalados e non os autores deses apuñalamentos. Ademais, o fiscal pediu a prisión provisional para seis dos afeccionados da Coruña e nada para os afeccionados madrileños. É curioso que en seis meses houbera catro xuíces diferentes. A que cre que se debe? Porque os anteriores xuíces non lles valían. Resulta que este último xuíz saca do cárcere catro agresores do Atlético e mételles só "riña tumultuaria", cando eles mesmos sinalaron que no vídeo publicado a persoa que tiran ao río non é Jimmy (era Santi, outro compañeiro noso) e non negaron que fosen eles quen tiraron e golpearon Santi. Como Santi non morreu, déixaos en liberdade. Non hai que esquecer que tamén está o caso da testemuña protexida, que di estar a cinco metros dos que golpean e tiran a Jimmy ao río e nin o fiscal nin o xuíz lle toman declaración. Se non chegamos a ter avogado privado, o caso queda pechado. En que momento do proceso se atopa o caso? Estamos á espera do que diga o xuíz. A declaración de Santi, que tivo lugar o pasado xoves –quinta feira- non valeu para nada porque o xuíz de Madrid non lle enviou nin unha soa pregunta ao xuíz da Coruña. A toma de declaración foi un paripé. Agora estamos á espera de que declare a testemuña protexida. "Preséntannos como mozos violentos, como irracionais sen futuro cuxo único obxectivo é emborracharse e isto calla na sociedade" Vostede é membro dos Riazor Blues, pensa que o grupo ao que pertence foi criminalizado? Si. Todo colectivo que non se prega ao sistema convértese en inimigo e tratan de o reprimir ao máximo, axudándose dos medios. Desta maneira, preséntannos como mozos violentos, como irracionais sen futuro cuxo único obxectivo é emborracharse e isto calla na sociedade. Ocupáronse máis de nos desprestixiar que de buscar os asasinos. Inventaron até o da quedada, dicindo que había whatsapp. Sempre defenderon que foi unha emboscada. Que aconteceu? Saímos, coma sempre, do Palacio da Ópera da Coruña, e non de Lugo, como se dixera, e conseguimos as entradas da mesma maneira que as conseguimos sempre. Almorzamos en Madrid e alí foi onde aconteceu todo. A policía quedou cos nosos móbiles para facer as comprobacións e o único que atoparon foron mensaxes entre a xente do Frente Atlético para quedar entre eles. Algunha das mensaxes dicía que quedaban porque "bajaban los cerdos", por nós. E por iso xuntaron tanta xente, case 300 persoas, nas inmediacións do Manzanares. Se te vas pegar con alguén non baixas do bus, como fixemos nós, coa entrada do fútbol, e a un só quilómetro do estadio. Cres que na capital de España, Madrid, pode andarse tranquilamente con paus e coitelos e que ninguén se decate e non pasa nada? A policía di que non presenciou os feitos… A "pelexa", por chamalo de algún modo, porque eramos uns 100 contra uns 300, dura uns 30 minutos. Até que marcharon os últimos deles alí non apareceu ningún policía. É a forma que teñen eles de dicir que tan culpábeis son os agredidos como os agresores. Desprestixiaron os que fomos golpeados. Mesmo Cifuentes –por entón delegada do Goberno en Madrid- admitiu que era falso que quedásemos cos Bukaneros –afeccionados do Rayo Vallecano. Todo foi mentira, coa última intención de salvagardar os amigos. "Isto fútbol non é. É unha cuestión puramente ideolóxica" Foi unha cuestión ideolóxica? Está moi claro. Isto fútbol non é. É unha cuestión puramente ideolóxica. Alí había xente de Asturias, Levante… había militares, policías… mesmo se di que o sobriño de Cerezo –presidente do Atlético de Madrid- andaba polo medio. Cantas multas teñen os afeccionados do Dépor? Aos que fomos detidos paralizáronnos as multas porque o procedemento vai pola vía penal, pero dos que non foron detidos hai 60 multas de 60.000 euros. A este importe hai que sumarlle o 20% se non pagas a multa en dous anos. E é imposíbel pagar en dous anos 60.000 euros, polos que, ao final, serán multas de 72.000 euros… É unha hipoteca que temos para toda a nosa vida. Cando entrevistamos o seu avogado, Erlantz Ibarrondo, confirmounos que do bando do Atlético non había multa ningunha. Segue a ser así? Polo que sabemos, a día de hoxe, o Atlético non ten nin unha soa persoa multada. "Os fascistas, co apoio das altas instancias do Estado, cálanos os que pensamos dun xeito diferente" Por que esa diferenza? Polo que falamos antes, é unha movida política. Os fascistas, co apoio das altas instancias do Estado, cálanos os que pensamos dun xeito diferente. É como facía Franco. Con multas saben que conseguen calar moita xente, pero outros non calamos. Cre que hai unha certa "barra libre" para a extrema dereita española? Penso que si. Queda moi claro con isto. Se o asasinato de Jimmy son catro meses de cárcere e nada máis… xa me dirás. En Madrid fan o que queren. Á xente emigrante fanlles un 88 –o H é a oitava letra do abecedario, de maneira que o 88 sería o saúdo usado polos nazis "Heil Hitler"- e hai unha impunidade total. Cantos crimes levan xa? Non esquezamos Aitor Zabaleta e Carlos Palomino. Algúns van ao cárcere pero as penas son irrisorias. Teñen moito poder. A eles deféndeos un que foi fiscal da Audiencia Nacional, imaxina o que ten que cobrar. Ademais, poden darse o luxo de ter cada un deles un avogado. Ningún de nós pode pagar un avogado deses. Pensa que acabarán sendo xulgados os asasinos de Jimmy? Non descansaremos até o conseguir, custe o que custe. Que opinión ten do movemento de apoio crecente que se está dando na cidade da Coruña para pedir o fin da impunidade e para que haxa xustiza? Só podemos dar mostras de agradecemento. Temos que darlle ás grazas á Federación de Peñas, que nos apoiou desde o primeiro momento e que segue a axudarnos moito, á xente do BNG da Coruña, que denunciou en Madrid as mentiras lanzadas contra nós, ao alcalde da Coruña, que pide xustiza para Jimmy, ao Deportivo e aos xogadores, que parece que empezan a involucrarse porque se decataron do engano… "Parece que a xente en xeral se decatou, por fin, do engano, de que había moitas cousas que non cadraban" Teñen o apoio do club? Agora estamos moi contentos co club, aínda que podía involucrarse un pouco máis. Non temos queixa. Parece que a xente en xeral se decatou, por fin, do engano, de que había moitas cousas que non cadraban… só hai que pensar que non hai ningún imputado polo asasinato de Jimmy e que os do Frente Atlético só recibiron delito por "riña tumultuaria", como todos nós, e como Santi, o compañeiro que tiraron ao río. Hai afeccionados do Dépor que teñen catro puñaladas no corpo e que logo de estar no hospital curando tiveron que estar tres días durmindo no calabozo en Madrid. En vez de deter os autores, detiveron os que padeceron os ataques. Limitáronse a deter todo aquel que tiña os pantalóns sucios e que estaba suado. O próximo 30 de novembro cúmprese un ano do asasinato de Jimmy. Como ides enfocar ese día? Todos os días 30 de cada mes, imos á Torre de Maratón, ao grafitti coa cara de Jimmy, e facémoslle unha ofrenda con velas. O 30 de novembro, faremos algo especial para que nunca se esqueza. Seguiremos a pedir xustiza sen descansar. |
NOS_16314 | O 28,5% da poboación a vacinar no conxunto da Galiza xa finalizou o proceso, 672.243 persoas. Máis do 51% da poboación galega a vacinar recibiu polo menos unha dose. | Galiza suma 3.772 persoas inmunizadas contra a Covid-19 após alcanzar as 672.243 con pauta completa despois das 3.780 doses administradas este domingo. Iso supón que o 28,5% da poboación a vacinar no conxunto da Galiza xa finalizou o proceso. Isto supón que na Galiza xa hai máis persoas coa pauta completa de vacinación que os habitantes xuntos das tres principais cidades galegas: Vigo (295.000 habitantes), A Coruña (247.000) e Ourense, con 105.000. Entre as tres suman por volta de 647.000. Así se reflicte nos datos actualizados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até o peche da xornada de vacinación do domingo, recollidos por Europa Press, nos que se indican que se administraron 1.855.918 doses, que supoñen 3.780 máis que a xornada anterior, o 97,57% das 1.902.035 recibidas por Galiza até o momento. Diso dedúcese que a xornada deste domingo estivo dedicada a completar pautas entre os galegos chamados a vacinar -que alcanzan o 28,45%-. No conxunto de Galiza o 51,1% desta poboación recibiu polo menos unha dose até a data. Por grupos de poboación vacinados por condición de vulnerabilidade, administrouse polo menos unha dose a 13.899 persoas de alto risco e 12.386 completaron a pauta; mentres que 17.664 dependentes non institucionalizados recibiron polo menos unha dose e 16.122 contan coa pauta completa. Todos eles sen cambios. Así mesmo, 23.802 persoas institucionalizadas recibiron polo menos unha dose e a 23.200 finalizaron o proceso, neste caso tamén sen cambios. Entre os vacinados por probabilidade de exposición, 75.106 traballadores do ámbito sanitario recibiron polo menos a primeira dose e 59.752 completaron o proceso (+1.000). Ademais, administrouse polo menos a primeira inxección a 29.027 profesionais do ámbito sociosanitario e 21.136 contan coa pauta completa (+466). Tamén recibiron polo menos unha dose da vacina contra a Covid 65.116 traballadores esenciais e 2.469 completaron o proceso (+38). En canto ás persoas que se vacinaron pola súa idade, hai 982.871 galegos aos que se administrou polo menos unha dose (+2.272) e 537.178 contan coa pauta completa (+2.268). |
NOS_42485 | O novo tempo político aberto tras o rotundo triunfo de Isabel Díaz Ayuso nas eleccións madrileñas librou Feixoo de complexos. Veteranos membros do PP hoxe afastados da dirección sinalan a Nós Diario que "Feixoo e Ayuso son a mesma esencia pero en frascos diferentes. O raro é que en Madrid non se deran conta antes". | Chegou a Galiza coa encomenda de aliñar ao Partido Popular de Fraga coas posicións políticas de José María Aznar. Naqueles días revoltos da crise do Prestige e patrocinado polo sector do birrete, liderado por Mariano Raxoi e o seu padriño político, José Manuel Romay Beccaría, desembarcou no Goberno galego no marco dunha crise de Gabinete impulsada desde o Executivo estatal para apartar do núcleo de poder dos populares galegos a aqueles sectores da formación menos confesionais coa liña ideolóxica da Fundación de Analises Estudios Sociales (FAES) de Aznar. Fiel gardián da ortodoxia, non tardou en medrar na formación e gañar a batalla da sucesión co apoio do sector máis ultra do partido. Sempre foi un duro e así actuou na oposición e no Goberno baixo unha imaxe de aparente moderación, só posíbel polo férreo control dos medios de comunicación públicos e, tamén, privados. Se os inicios da súa xestión na Xunta estiveron ligados a unha nova lexislación en materia lingüística ao ditado das orientacións dos teóricos de FAES após apuntarse ao relato da imposición do galego, as súas decisións en materia de benestar colocaron a Galiza á cola do Estado en investimento en servizos sociais ou en Atención Primaria en coherencia coa axenda neoliberal. Nunha actuou como un tecnócrata, pola contra a súa acción gobernamental respondeu a un programa ideolóxico sen concesións. O novo tempo político do PP O novo tempo político aberto tras o rotundo trunfo de Isabel Díaz Ayuso nas eleccións madrileñas librouno de complexos. Malia recoñecer as dificultades de penetración na sociedade galega dun discurso como o referendado de xeito maioritario pola cidadanía de Madrid, os populares galegos asumiron, na liña da valoración efectuada pola dirección estatal do partido, que só a hexemonía ideolóxica garante maiorías electorais alén de episodios circunstancias. Neste sentido, enmarcouse o proceso de rearme doutrinal da formación formalizada no seu pasado congreso do mes de xullo pero evidente nos últimos meses nas intervencións dos seu voceiros e responsábeis institucionais. O aliñamento de Feixoo coas posicións máis extremas do PP non pasou inadvertido para os grupos de comunicación madrileños situados no espectro progresista, que tradicionalmente se destacaron polos seus cumpridos ao presidente galego, como representante dunha dereita civilizada apartada das posicións máis ultras. Sen ir máis lonxe, o pasado domingo, o diario El Pais, nunha crónica asinada por Javier Casqueiro, reparou no xiro de Feixoo e destacou a súa proximidade con Díaz Ayuso, significando que ambos mandatarios "transformáronse nun eixo de poder popular" e "se dispoñen a manter unha relación de forza no PP, cunha liña dura común de oposición ao Goberno de Pedro Sánchez". A sintonía entre Ayuso e Feixoo viviu un último capítulo na conferencia de presidentes celebrada a pasada sexta feira, 30 de xullo, en Salamanca. Segundo adiantou o xornal de Prisa, o mandatario galego e a súa homóloga madrileña ficaron a almorzar en solitario antes do encontro nun hotel da cidade co obxectivo de trazar unha estratexia conxunta, que posteriormente trasladaron a reunión, "cada un co seu estilo", pero "repetindo as mesmas consignas". A este respecto, un veterano militante popular, hoxe apartado da dirección da formación, sinalou, a Nós Diario que "Feixoo e Ayuso son a mesma esencia pero en frascos diferentes. O raro é que en Madrid non se deran conta antes". |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.