ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
PRAZA_19548
ENTREVISTA Xosé González xubílase tras case 40 anos pulando por normalizar o galego desde a Administración, onde fundou o primeiro Servizo de Normalización nun concello, pero tamén fóra, fundando moreas de colectivos pola dinamización da cultura e do idioma. "Falta pedagoxía", di.
A piques de cumprir 67 anos, Xosé González (Teis, Vigo, 1950) afronta os seus últimos días como funcionario público. Xubílase o 7 de abril non sen antes recibir unha homenaxe o vindeiro 31 de marzo no Castelo de Soutomaior. Será o recoñecemento a un home que se define como "un simple cidadán preocupado por restaurar a identidade cultural e lingüística do país". A iso dedicou toda a súa vida. De inicio conformando o primeiro Servizo de Normalización Lingüística nun Concello, o de Redondela, hai máis de 35 anos e onde traballaría dúas décadas, para logo ampliar o seu labor á mancomunidade da área intermunicipal de Vigo. Mentres, fóra da Administración, fundou e impulsou moreas de asociacións como a de Funcionarios para a Normalización Lingüística, a de Xuristas en Galego, a Irmandade Xurídica Galega, a Asociación de Amigos do Couto Mixto ou o Foro Enrique Peinador, entre outras. Todas unidas nun colectivo -Galeguizar Galicia- e compartindo un obxectivo que foi e será sempre o de Pepe de Redondela: dinamizar a cultura galega e normalizar o uso da lingua en distintos ámbitos da vida social, cultural, económica e administrativa do país. Asesor literario, tradutor de literatura xurídica e colaborador nos medios, marcha "satisfeito" e "optimista", pero non escapa da crítica. Como se sente a poucos días do retiro? Cunha satisfacción moi grande. Fago un balance do meu labor moi positivo. Son 38 anos de labor pola lingua e a cultura galega dentro da Administración pero tamén fóra dela, argallando alternativas para distintos sectores sociais. Implantar un servizo de normalización en Redondela naquel 1981 debeu ser todo un desafío... Redondela foi o primeiro Concello que creou unha unidade administrativa para levar a cabo unha política lingüística, un Servizo de Normalización. Estaba todo por facer. As forzas que saían da clandestinidade e que se organizaran nas candidaturas municipais tiñan un gran reto porque había moito ideoloxismo, moito voluntarismo pero a todo aquel discurso florido faltáballe concreción. Teñamos en conta que chegan a uns concellos con funcionarios herdados do franquismo. Que era o primordial? Tiven a sorte de entrar en 1979, logo das primeiras eleccións democráticas tras o franquismo, e trasladaille ao alcalde un proxecto. O goberno era de Unidade Galega e estaban moi lonxe da concreción do que se quería facer; estaban na abstración e nos bos desexos, pero había que poñer alguén a traballar e facer un labor serio, lonxe da retórica, cunha planificación política en todos os ámbitos. "En política lingüística volvemos ao pasado; os servizos de normalización fan actividades de pouca incidencia" Que foi o máis difícil? O máis complicado era facer política lingüística de verdade, non como agora, que parece que estamos regresando ao pasado. Hoxe faime graza ver como os servizos de normalización lingüística dedícanse a actividades que son de pouca incidencia, como contacontos, presentación de libros ou concursos literarios... Iso está moi ben, pero a política lingüística transformadora é a que se destina ao conxunto da sociedade para crear autoestima e operar grandes transformacións no uso da lingua galega, máis aló dos usos literarios. "A política lingüística transformadora debe ir dirixida a toda a sociedade, crear autoestima e operar grandes transformacións no uso do idioma" Non era tan importante a literatura, logo? Calquera país que se prece de ser unha nación ten que ter unha literatura de seu, pero esta non é transformadora, senón un complemento. A política lingüística ten que buscar aliados na sociedade, nos sectores económicos, nos estratéxicos. Iso foi o que fixemos e foi o que me ilusionou: abrir novos camiños, porque os camiños xa trillados pola cultura e a literatura non me preocupaban moito. O gran reto era a maneira de implicar a sociedade na defensa da cultura galega e nos usos e nos ámbitos sociais correspondentes. Cando non podía facer iso no Concello, porque se extralimitaba das nosas competencias, busquei fóra das lindes municipais da miña actividade como funcionario outros espazos para ir organizando. "Son un simple cidadán preocupado por restaurar a identidade cultural e lingüística do país" Abofé que o fixo. Fun artellando un tecido asociativo que hoxe se engloba no colectivo Galeguizar Galicia, que ten como obxectivo a galeguización no ámbito económico, xurídico, festivo, da morte, das forzas e corpos de seguridade... Todas estas asociacións van aparecendo como unha necesidade, como un bucle. Con esta actividade, xunto á miña como funcionario, fixemos un labor importante da que non teño eu só o mérito, como é natural. Son un simple cidadán preocupado por restaurar a identidade cultural e lingüística do país. Que é máis efectivo no ámbito da normalización, o traballo na Administración ou fóra dela? Non se pode dicir que unha cousa sexa máis importante que a outra. Os dous traballos interactúan e trato de ir trenzando o traballo institucional e o asociativo. Desde o Concello de Redondela, por exemplo, lanzamos o reto de que todas as administracións locais se encamiñasen no que propoñíamos e fómolo logrando. "Vincular a dinamización lingüística e cultural a unha ideoloxía sempre pensei que era un gran fracaso" Como? Non queríamos que Redondela fose unha illa de galeguismo, así que en 1984 impulsamos a primeira asemblea de concellos galegos pola normalización lingüística. Acudiron máis de 190 concellos de Galicia e supuxo sentar as bases dunha política lingüística que fose máis aló do que estaba representado nos gobernos municipais. Vincular o progreso ou a dinamización lingüística e cultural a unha ideoloxía sempre pensei que sería un gran fracaso e unha escusa para que unhas forzas políticas non se unisen. De feito, a inmensa maioría destes concellos era de dereitas. "Que os concellos tivesen o galego como lingua oficial era impensable nos 80, sobre todo cunha dereita que non era nin autonomista" Cre que se conseguiu iso de non vincular a defensa da lingua a unha ideoloxía ou corrente concreta? Hoxe en día, o 98% dos concellos teñen como lingua oficial o galego na escrita. Iso era totalmente impensable daquela, sobre todo cunha dereita que non era autonomista, pero que, curiosamente, era monolingüe fronte a unha esquerda que dominaba na franxa atlántica e era bilingüe. Era unha contradición que había que superar. Os bilingües non serían capaces de facer ese labor monolingüe se non contásemos con eses concellos de Becerreá, Ourol ou Calvos de Randín que se tiveron que afacer a que o funcionamento das súas administracións tamén fose en galego, como o era o dos seus veciños. Aquel foi un salto cualititativo que non imaxinaba moita xente. Pasados case 40 anos daquela, en que situación ve o galego e a súa normalización? É optimista? Cada momento histórico ten os seus problemas. Pensemos naquela Galicia do franquismo que era monolingüe e estaba oprimida. As administracións levaban 400 anos expresándose en castelán. Alguén podería imaxinar que se puidese recuperar a dignidade e identidade cultural das institucións? Pois non. O derrotismo da xente daba por sentado que o galego estaba limitado aos espazos coloquiais. Iso foi un avance e a lingua dignificouse. A xente entende que se o galego se utiliza na Administración é unha lingua de prestixio, pero moita desa xente non lía libros nin hoxe le libros. E senón remitámonos á crise editorial galega. É unha mostra palpable do erro daqueles que intentaron galeguizar o país unicamente a través da literatura. Iso foi un fracaso. Tamén dos que pensaron que o ensino era a táboa de salvación. O ensino é necesario e calquera formulación para a normalización ten que prestixiar o galego na escola, pero non se sacou dela o que se tiña que sacar. A xente, a medida que se ía facendo maior, ía abandonando o que aprendera no ensino. Posiblemente, non hai que ter medo a dicir que o fracaso dos nosos profesores de lingua galega nas aulas foi grande: non foron capaces de seducir. "Intentar galeguizar o país só coa literatura foi un fracaso; tamén dos que pensaron que o ensino era a táboa de salvación" Non cre que foron moitos os gobernantes que desde as administracións colaboraron tamén no desprestixio do galego? Eu son moi partidario de non botarlles as culpas aos demais das nosas limitacións. Hai que ser autocrítico. O que non se pode ser é vitimista e o movemento nacionalista en Galicia foino e pagouno, por iso está como está. Precisabamos un nacionalismo creativo, de tender pontes e non de levantar cidadelas. Ese sectarismo foi o que provocou a falta de galeguización da sociedade. O problema lingüístico non se pode analizar illadamente, é un problema político. Hai que identificar as dificultades e ver como superalas e logo argallar estratexias, tácticas e didácticas para gañar a cidadanía para esta formulación. Se a política carece de pedagoxía, o resultado é o fracaso. E foi a pedagoxía a que se botou en falta. "Precisabamos un nacionalismo creativo, de tender pontes e non de levantar cidadelas" A que se refire? Un exemplo: o sindicato nacionalista disque ten 50.000 afiliados, 50.000 consumidores... Todos consomen produtos culturais galegos, incluídos libros? Seguramente, non. Pois iso é un fracaso. Este sindicalismo promoveu grandes mobilizacións polas políticas negativas e nefastas contra o agro galego. Os militantes das cidades preferiron produtos galegos aos foráneos? Preferiron produtos etiquetados en galego aos que están en castelán? Pois outro erro. Non se fixo pedagoxía seria. A insolidariedade territorial desfai a conexión social e se non hai conexión social non hai pobo. Eu creo que o pobo, para selo, debe ter cultura, valores e esa idea de globalidade. Optouse por ritualizar tratando de facerlle ver á xente que temos tanta forza que somos quen de facer o que están a facer os cataláns. E iso é mentira, é enganar a xente. Aquí faltou pedagoxía. Un militante político ten que facer maxisterio na casa e no traballo. É clave. "No nacionalismo faltou pedagoxía; un militante político ten que facer maxisterio na casa e no traballo. É clave" Pasa o mesmo coa transmisión do galego? Claro que pasa. Ese é o problema. Vivo en Vigo, nunha zona onde case todo o mundo é orixinario de Ourense. Paseo polas rúas e vexo os avós falando galego cos fillos, pero en castelán cos netos. E non serán todos de dereita, verdade que non? Dígoche máis: en Galicia morren, segundo as estatísticas, unhas 32.000 persoas cada ano. Non serán todos castelánfalantes, nin españolistas... Haberá de todo, tamén nacionalistas. Pois alguén reparou en que só o 2% das esquelas publicadas na prensa están en galego? E que só unha de cada 1.000 lápidas nos cemiterios está en galego? "Non se xerou conciencia de galeguidade entre a sociedade, non se fixo un labor cotián" E isto só é debido á falta de conciencia? Non se xerou conciencia de galeguidade. Non se fixo un labor cotián. Por exemplo, o movemento cultural en Vigo está desaparecido. Os partidos anularon as plataformas culturais. A pouco que despuntaba alguén, acababa nunha lista electoral, queimábase na política e cando finalizaba o mandato, non regresaba a aquela plataforma. En Galicia, hoxe o movemento cultural non ten pulso, algo que si ten Catalunya. Usurpóuselle á sociedade civil a súa voz e iso fixérono os partidos políticos e os sindicatos, que quixeron ter o monopolio da voz. Daquela, é optimista ou non co futuro da lingua galega? Se explico todo isto é para aclarar que son optimista, si. No País Vasco, o éuscaro falábase pouco e recuperouse; e en Catalunya o catalán falábase moi pouco se o comparamos co galego e tamén se recuperou. "Son optimista co futuro do galego porque creo que hai ciclos; a crise vén de desenmascarar as forzas do sistema e outras terán que construír un novo discurso" Pero en Galicia as estatísticas insisten en que o galego non só non se dá recuperado senón que retrocede... Si, pero ollo, eu non son pesimista porque creo que hai ciclos. Aquí houbo un ciclo perverso durante tres décadas de inmobilismo total, nas que non se fixo nada. Pero veu a crise económica, desatou todas as forzas do sistema, desenmascarounas e apareceron novas forzas políticas que terán que construír un novo discurso. A historia vai sempre cara adiante, non cara atrás, e unhas veces as cousas fanse por propia vontade das políticas e outras son as contradicións da propia sociedade as que poñen os partidos no seu sitio e lles din: "Vostedes non fixeron nada e carecen de autoridade". Estamos nun momento de certo respiro e optimismo, igual que vivimos outros de pesimismo ou de optimismo como durante a República. Todo depende das vontades. Por iso dicía ao principio que eu estaba satisfeito, porque se eu fun capaz de facer tantas cousas, por que outros non as poden facer? Eu non son ningún Mesías. Pode que non haxa moitos dispostos a facer todo o que fixo vostede. Ben... Non o dou entendido. De cando en vez aparece xente e, aínda que sexa desde o voluntarismo, sempre hai quen faga. Nós fixemos cousas extraordinarias. E non fixo falta revolución ningunha, senón buscar o momento, a persoa e saber actuar. Para facer política cultural hai que buscar o fío, a circunstancia. Se o fixo un chaíñas coma min...
NOS_52851
A Feira das Industrias Culturais, Culturgal, ven de quedar sen director nin equipo de xestión. O que fora elixido pola Asociación Culturgal para desenvolver un proxecto de promoción das industrias culturais que nacera no bipartito, despídese do posto que asumira no 2011.
Sergio Lago e o equipo de Nó Común deixarán de estar á fronte da Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, como veñen de anunciar tanto na súa páxina web como nas redes sociais. "Foron dous anos de traballo intenso nos que dende o equipo organizador puxemos todo o noso esforzo en intentar construír un proxecto de todos e para todos os axentes culturais que participaron dunha maneira ou outra na feira", comenta na nosa na que anuncia a súa despedida e desexa unha longa vida ao Culturgal. Sergio Lago conta cunha sólida traxectoria no mundo da xestión cultural, na elaboración de planos estratéxicos, xestión de equipos e deseño de proxectos. Da súa man naceu a tenda Toupa.net que lle valeu un premio EGANET e previamente fundou o selo Falcatruada do que foi director. A despedida de Lago e o seu equipo da xestión de Culturgal deixa á feira nunha delicada situación a pouco máis de seis meses da súa realización. Culturgal tense convertido enescaparate da cultura galega, coa presenza de industrias culturais de todos os sectores e unha asistencia multitudinaria de público que participa do amplo programa até agora ofrecido. Redución de orzamento "A casa da cultura galega é a túa casa. Ti tes as chaves" foi a lenda da última edición que se desenvolveu no Pazo da Cultura en Pontevedra que se consolida como sede fixa do grande evento que ten lugar pouco antes de Nadal. Cun orzamento de 250.000, o 15% menos que na edición anterior, desde a Asociación Culturgal que promove a iniciativa queixábanse de que a cantidade é o 25% do previsto en calquera proxecto similar a nivel estatal como o Mercat da Musica de Vic, a Fira de Tárreca ou a FICA de Andalucía. A Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) traballan de maneira conxunta na entidade de asociacións profesionais que organiza o Culturgal que este ano non concretou polo de agora coas administracións o aporte de cartos públicos ao evento mais pode ver reducido aínda máis o seu orzamento.
NOS_54537
A Consellaría de Política Social tamén comunicou a incorporación de 16 persoas aos casos activos na San Bartolomeu de Xove, que alcanza os 26 positivos.
O surto de coronavirus na residencia DomusVi de Vimianzo parece lonxe de quedar estabilizado se ben as cifras de contaxios non son tan elevadas como se detectaron ao principio da segunda onda noutros centros. No entanto, segundo o parte da Consellaría de Política Social de hoxe, no xeriátrico xa hai 65 casos positivos. Hoxe incorporáronse ao listado de persoas infectadas en Vimianzo unha ducia de usuarias e 6 traballadoras, polo que o cómputo global xa é de 65 infectadas. En concreto, 50 pertencen á comunidade de residentes e o resto ao cadro de persoal. Nas últimas horas tamén parece dispararse o pequeno foco que se detectara na residencia de San Bartolomeu, en Xove. Neste caso a Xunta informa de 11 maiores máis que teñen síntomas do virus e cinco operarias. Con ese incremento das cifras, xa hai en corentena e baixo control 26 persoas (16 residentes e 10 empregadas e empregados). Así as cousas, fican con coronavirus 123 usuarios, dos que 50 están en Vimianzo. A segunda posición está ocupada por Xove, debido ao incremento inesperado, e en terceiro lugar está a Residencia Hospital Asilo San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo con 13 casos activos. En Vigo hai tres centros afectados, pero os datos son máis elevados en dous: a residencia de Moledo (11) e a CRAPD II (9). Na DomusVi Vigo existen dous pacientes. Na Saleta, en San Cristovo de Cea, o departamento que dirixe Fabiola García ten noticia de 7 doentes. No centro Monte Tecla da Guarda fican 6, no de Vilaboa faltan 3 persoas por curar e na Vila do Conde de Gondomar hai dúas usuarias aínda con Covid-19. O cómputo complétase cunha afectada en cada unha destas instalacións: Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, Servisenior Brión, San Salvador de Guntín e Covelo. Cadro de persoal As e os traballadores infectados son 109, mais o confinamento probabelmente afecta a máis compañeiras. Despois da DomusVi de Vimianzo (15) e da San Bartolomeu de Xove (10) aínda quedan moitas residencias tocadas polo virus. Na DomusVi de Ribadumia e no Asilo de Vilalba permanecen activos 8 contaxios, mentres que en Vilaboa son 6. Por último, na Doral de Mos seguen infectadas 5 empregadas. Menor incidencia O resto dos casos están na Remanso-Claudina Somoza (1); Padre Rubinos da Coruña (1); Santa Teresa Jornet da Coruña (1), Domusvi Coruña (1); Laraxe (1); San José de Narón (2), DomusVi Noia (1); San Salvador de Guntín (1); Albertia Lugo (1); Residencia Hospital San Sebastián e San Lázaro de Ribadeo (1); Nosa Señora dos Miragres de Barbadás (1); San Antonio de Beariz (1); Vivenda Comunitaria de Castrelo de Miño (4); Larouco (1); Galisenior de Ourense (1); Os Gozos de Pereiro de Aguiar (4) e La Saleta en San Cristovo de Cea (4). Tamén hai enfermos entre o persoal da residencia de Covelo (1); Nosa Señora das Dores de Forcarei (1); Marín (1); Monte Tecla de A Guarda (2); Vila do Conde de Gondomar (1); Virxe de Guadalupe de Mos (1); Bellavista Care de Nigrán (1); Cesantes-Redondela (1); Ballesol Vigo (3); Moledo (4); Fogar residencial Vistahermosa de Vigo (1) e Santa Marta, en Vigo (1).
QUEPASA_730
Non se deixaron amilanar as guerreiras de Muros pola dureza das de Cambados, e gracias a unha gran defensa e a unha boa efectividade conseguiron a 5ª vitoria consecutiva. As costeiras non desbotan aínda pelexar pola segunda praza, que ostenta un Concello de Boiro que suma 6 puntos máis que as muradás pero aínda cun enforntamento directo pendente nas últimas 5 xornadas. As que xa pouco teñen que facer máis intentar quedar o máis alto posible son as xogadoras do Bergantiños, e máis despois da derrota ante as 3ª, nun choque no que visitante Laura Raña marcou as diferenzas e fixo que o fútbol fose inxusto cun Bergantiños que perdeu un partido que ao descanso gañaba 2-0.
2ª División, Gr. 3, xornada 21 Resultado: Juv. Cambados - As Miúdas (0-5) As Miúdas: Yaiza, Isa, Laura, Antía, María de Pastora, Leti, Marta, Bárbara, María Dosil, Sandra e Pati. Goles: 0-1, m.4: Pati; 0-2, m.12: en propia meta tras un centro de Bárbara; 0-3, m.35: de novo en propia meta tras un centro de Bárbara; 0-4, m.72: Antía de penalti feito a Bárbara; 0-5, m.77: Bárbara. Dende o principio dominou o cadro muradán que ademais vía como os goles ían chegando cada pouco rematando 0-3 o primeiro tempo e puidendo acabar con algún tanto máis, se Bárbara ou Marta estivesen acertadas. O dominio na segunda aínda foi maior na segunda, culminando a goleada. Pero ademais do resultado, a mellor nova foi o retorno de Eva tras unha grave lesión de xeonllo. 2ª División, Gr. 2, xornada 21 Resultado: Bergantiños - Abellá (2-3) Bergantiños: Lara Sanchez, Martasa, Seo, Sabrina, Fra, Lore, Torrado, Noe, Mery, Canosa e Tamy. Tamén xogaron Isa, Paula, Eva, Tania e Rabuñal. Goles: 1-0, m.28: Tamy a pase de Canosa; 2-0, m.42: Mery; 1-2, m.55; 2-2, m.60; 2-3, m.85. Chegaba o Abellá ás Eiroas como terceiro clasificado e disposto a sacar os tres puntos para non escaparse na loita con Cambre e Abellá e atopouse cun Bergantiños cas ideas moi claras e coa intención de poñerlle as cousas moi complicadas. Empezou o Bergan mais intenso en mediocampo e chegando a portería rival con ocasións moi claras pero se acerto por medio de Noe e Tamy. Puido sacar proveito o Abellá destes fallos xa que nos seguintes minutos disporían de duas ocasións clara salvadas por L. Sanchez e Fra baixo paos. Á terceira foi a vencida para as carballesas e Tamy abría o marcador. Pouco antes do descanso Mery facía o segundo. As visitantes saíron fortes tralo descanso, pero as xogadoras de Gueli aguantaron ben as embestidas de Laura Raña, mellor xogadora no campo. Aínda puido ampliar a ventaxa Tamy se estivera acertada en boca de gol a pase de Canosa. Xusto despois Alba recurtaba distancias ao transformar unha falta directa. Pouco despois Raña empataba o partido ao aproveitar uns minutos de debilidade defensiva das carballesas. Nos últimos 15 minutos o resultado puido decantarse para calquer equipo, xa que os dous disporían de ocasións por medio de Laura Raña para as visitantes por medio dun man a man que mandou alto Tamy; de Mery que fallou de falta e de Noe, que mandou ao pao un remate de cabeza. A 5 min. para o final novamente Raña marcaba o 2-3 nunha indecisión da defensa carballesa. O Bergan intentaríao á desesperada nos últimos instantes pero po resultado xa non se movería. Todas as novidades do FutFem Apretando ao líder na súa casa. Sumando.
NOS_47994
Na liga Asobal gañou o Cangas máis perdeu o Academia Octavio de Vigo. E en fútbol sala, vitoria do Burela, empate do Azkar Lugo e derrota do Santiago Fursal. E segunda división de fútbol, o CD Lugo perdeu ante o Córdoba por un a cero.
Non está a ser esta precisamente unha fin de semana de gloria para o deporte galego, agás excepcións. Á derrota dos equipos galegos na primeira división de fútbol hai que engadir a do Obradoiro en baloncesto. E noutras disciplinas, os resultados van por barrios. Así, e no que atinxe, a balonmán, o Cangas impúxose ao Cuenca, ao que gañou por un tanto de diferenza (24 a 23) nun partido xogado a un alto ritmo. A outra cara da moeda foi o Academia Octavio. Os vigueses perderon na casa fronte o Granollers por 25 a 41. A respeito do fútbol sala, os tres equipos galegos colleitaro distinta fortuna: Así, o Burela impúxose ao Santa Coloma (7 a 4), o Azkar Lugo empatou perante o Ribera Navarra en Tudela; e o Santiago Fursal caía fronte ao Barcelona por 6 a 3. Derrota do Lugo Pola súa banda, o representante galego en segunda división, o Lugo, caeu ante o Córdoba por un gol a cero. Os lugueses acabaron o partido con 10 xogadores por expulsión de Víctor Marco. A gran actuación de Yoel impedíu que o Lugo perdese por máis goles. Os cordobeses xa enlazan catro vitorias consecutivas e non coñece a derrota en 2013.
PRAZA_2342
Aínda que a dotación aumenta un 7%, acumula unha caída do 56% dende a chegada de Feijoo ao poder. O Gaiás incrementa os seus fondos un terzo e absorbe un 14% dos cartos. A partida para a compra de libros volve caer e fica na cuarta parte do destinado en 2009.
O proxecto de Orzamentos para 2016 presentado pola Xunta preséntase con incrementos en case todas as partidas. E así foi vendido polo Goberno galego, que destaca o crecemento dos investimentos, do gasto social e de que estamos ante "as primeiras contas expansivas da Administración galega dende 2008". Efectivamente, as contas para o vindeiro ano, que aínda deben pasar polo Parlamento, rachan unha tendencia de seis anos de recortes continuados en moitas áreas, coma Cultura, Cooperación e Normalización Lingüística. Porén, precisamente nestas partidas, que están entre as que viron máis reducidos os seus fondos dende a chegada de Núñez Feijoo á Presidencia da Xunta en 2009, o leve incremento para 2016 non compensa máis que unha pequena parte do recortado. Outras importantes políticas, coma as de investigación e innovación, que xa recuperaron en 2014 unha tendencia ascendente, seguirán crecendo o vindeiro ano, pero estarán aínda moi lonxe dos fondos que recibían en 2009. Cultura, máis para o Gaiás, menos para compra de libros No proxecto de Orzamentos, Cultura recibe un total de 61,9 millóns de euros, fronte aos 57,7 millóns do pasado ano, un incremento do 7%. A pesar do ascenso, a cifra segue sendo menos da metade do orzamentado en 2009 (141,06 millóns), cunha caída acumulada do 56%. En 2016 algo máis de 9 millóns de euros irán destinados á Fundación Cidade da Cultura, fronte aos 6,7 do ano anterior, un terzo máis (en 2009 a Cidade da Cultura, aínda en obras, recibía 41 millóns de euros). O Gaiás absorbe polo tanto o 14,5% de todo o orzamento. Case tanto coma o que xestionará a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), uns 10,4 millóns, sen apenas variacións con respecto ao pasado ano. O CGAC é un dos grandes prexudicados no proxecto de contas, perdendo un 25% dos seus fondos, que pasan do millón de euros ao 750 mil. A Fundación Camilo José Cela, pola súa banda, mantén a súa dotación (257.294 euros). O mesmo que o Museo do Pobo Galego (298 mil). O orzamento para o Gaiás crece un 30% e absorbe o 14,5% de todos os fondos de Cultura Un dos capítulos que máis sufriu nos últimos anos o peso dos recortes foi o do libro e bibliotecas. No proxecto de contas públicas para 2016 hai mellores novas, pero con matices. Os programas ligados a bibliotecas, arquivos, museos e outros equipamentos culturais reciben un total de 13,4 millóns, fronte aos 10,6 millóns do pasado ano. E mellora algunha partida, coma a animación á lectura, que pasa dos 200 mil aos 240 mil euros. Porén, capítulos coma a promoción da edición de libro en galego (348.460), promoción do libro e a lectura (200 mil euros) ou as feiras do libro (150 mil euros) permanecen estancadas. E outros, coma a partida para a adquisición de fondos bibliográficos (560 mil euros) mesmo descenden 40 mil euros dende o pasado ano. En 2009, a promoción da edición de libro en galego recibía 1,1 millóns de euros e para a adquisición de fondos bibliográficos había 2,4 millóns, máis de catro veces máis que agora. Si mellora a dotación para Feiras internacionais do libro (pasa de 150 mil a 400 mil euros). Leve ascenso para a normalización lingüística O fomento da lingua galega recibe nos orzamentos de 2016 un total de 6.756.815 euros, 16 mil euros máis que o pasado ano (6.740.182), manténdose a dotación para case todos os programas e actividades, o mesmo que para o financiamento da Real Academia. Os fondos para a I+D galega, por debaixo do 2008 A pesar de cinco anos de ascenso, os fondos pa I+D están 11 millóns por debaixo dos de 2009 O capítulo de Investigación, desenvolvemento e innovación crece en máis de dez millóns de euros, dende os 120 millóns de euros do pasado ano, ata os 130,7. Porén, a cifra total, segue por debaixo do nivel acadado en 2009 (142,9 millóns). As contas públicas de 2010 e 2011 significaron un recorte de máis trinta millóns para o orzamento dedicado a I+D. A pesar de que dende entón asistimos a cinco anos consecutivos de ascensos, a cifra total segue lonxe das cantidades previas á crise. A investigación nas universidades recibirá 50.034.780 euros, algo por riba do orzamentado o pasado ano (49 millóns) e crecendo levemente dente o 2009 (48,9 millóns). Os fondos para cooperación seguen baixo mínimos Cooperación exterior recibirá en 2016 un terzo dos fondos cos que contaba en 2009 Quen non notará apenas a recuperación son os programas ligados a Cooperación exterior e ao desenvolvemento, que en 2016 recibirán algo menos de 4,2 millóns de euros, cun crecemento de só 48 mil euros dende o pasado ano (4.143.715 euros). Esta partida recibía 11,6 millóns de euros en 2009 e dende entón viuse reducida a pouco máis dun terzo.
NOS_50625
Entrevistamos a política no 'Caderno de verán'
Con tanta viaxe por traballo, pode permitirse no verán coller vacacións? Collo vacacións relativas, sempre estou co ordenador, pero si intento parar. Viaxo todo o ano por traballo entón o que máis me apetece cando teño uns días libres é estar na aldea. Porén, si conto con facer algunha escapada pola Galiza. Este foi un ano moi duro para min por cuestións persoais que si supuxeron un cambio na miña vida, entón van ser unhas vacacións diferentes. É certo que vostede non para de viaxar pero cando fixo a súa última viaxe por pracer? Si, non paro, dentro de pouco xa volvo á voráxine de sempre, en breve teño que ir a Bruxelas e tamén a Barcelona por cuestións de traballo. A última vez que viaxei por pracer foi coa miña filla hai uns meses, pero xa había moito que non facía algo así! Cando ten algún momento libre, que actividades lle gusta realizar? Teño tan pouco tempo de lecer que até me custa pensar en que se fai! Gústame andar pola praia e ler, principalmente. Ultimamente estou pintando móbeis, píntoos de cores diferentes para rexeneralos e darlle unha nova vida. Tamén estou a ordenar fotos e a limpar, cando teño un estado de ánimo máis baixo axúdame facer tarefas manuais e rápidas para non pensar. Este verán, volver á aldea vai ser duro; costa volver a un espazo baleiro. Estas transicións nunca son fáciles, pero aí estamos. No que respecta a Galiza, hai algún lugar ao que lle guste ir durante as vacacións especialmente? Si, hai moitos. Fisterra ou A Guarda gústanme moito, pero en xeral toda a Galiza enteira. Porén, coma sempre, visitarei Cuntis, o lugar onde nacín. Dixo que lle gustaba ler nos seus momentos libres, recoméndenos algunha lectura, ou tamén un grupo de música para este verán. Agora mesmo estou lendo o último libro de Chomsky en inglés que me está a gustar moito. Tamén me recomendaría unha recompilación de relatos que se titula Elas, de diversas poetas que falan sobre a violencia de xénero. Con respecto á música, recomendo escoitar a Dios ke te crew
NOS_8041
Organizada pola 'Francisco Villamil' contará con recital de poesía, actuacións musicais e a intervención, entre outros, do cónsul cubano en Galiza, o actor e acivista Willy Toledo ou o alcalde pontevedrés, Fernández Lores
O Teatro Principal de Pontevedra acollerá o 29 de abril, a partir das 19:30 horas, unha homenaxe nacional a Fidel Castro organizada pola Asociación de amizade galego-cubana Francisco Villamil. O acto, con entrada de balde, será presentado pola actriz Mónica Caamaño e no mesmo tomarán a palabra os poetas Anxo Angueira, Marta Dacosta, Pepe Cáccamo, Manolo Pipas, Celso Parada e Luz Fandiño. A música virá da man de Tino Baz, Mini e Mero e Uxía Senlle. En canto ás intervención, entre as persoas que tomarán a palabra están Miguel Anxo Fernández Lores (alcalde de Pontevedra), José Antonio Solana (cónsul xeral de Cuba en Galiza), Willy Toledo (activista e actor) e Valentín Alvite (presidente da Asociación Francisco Villamil). 'Palabras galegas para Fidel' De por parte, a Francisco Villamil informa que vén publicar o libro 'Palabras galegas para Fidel'. Na primeira parte do volume, titulada Opinións, recóllese a valoración que, do líder revolucionario fan, entre outras, dirixentes políticos, como Fernández Lores (alcalde de Pontevedra), Ángel García Seoane (alcalde de Oleiros), Ana Pontón (portavoz nacional do BNG), Eva Solla (secretaria xeral do PCG), Suso Seixo (secretario xeral da CIG) ou Xose M. Sánchez Aguión (secretario xeral de CC OO). Na redacción destas páxinas, colaboran tamén coñecidos intelectuais, como Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Alonso Montero ou Teresa Moure. Contribúe igualmente co seu testemuño un destacado participante na Revolución Cubana nacido en Galicia: Pedro Trigo. Na segunda parte, Ideas en acción, reúnese unha antoloxía de citas textuais de Fidel, extraídas de discursos e entrevistas.
NOS_14469
Aspira a vacinar toda a pobaoción moza de máis de 12 anos antes do 20 de setembro.
A intención do Goberno galego é a de "acabar o proceso de vacinación este mes", salientou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, quen anticipou un novo obxectivo, o de vacinar a todos os menores maiores de 12 anos antes do 20 de setembro. Ante o inminente inicio de curso en Secundaria, o presidente asegurou que o alumnado acudirá xa "cunha dose" e precisou que perto de 20% regresará ás aulas xa coa pauta completa. "O obxectivo sería achegarnos a 97% da poboación maior de 12 anos vacinada", marcou como meta de cara a inmunidade da poboación fronte ao coronavirus.. "Seriamos unha das rexións de Europa con maior porcentaxe", remarcou. Poboación sen vacinar O presidente da Xunta tamén se referiu ás persoas que non se vacinaron polo momento, "unhas 200.000", dixo, ás que contan presentar máis facilidades. "Imos notificar de forma expresa e individual a posibilidade de vacinarse. Meteremos esta opción na carteira de servizos dos centros de saúde para descentralizar o proceso", adiantou. Unha nova encomenda que ven incrementar a carga asistencial da Atención Primaria, saturada por mor da pandemia mais dos recortes acumulados nos últimos anos. Unha sobrecarga que recae nas axendas diarias do persoal médico mais tamén do persoal de enfermaría ou administrativo, sen substitucións pola falta de profesionais e as condicións de precariedade laboral. Listas de agarda na Primaria Neste sentido, desde o PSdeG, o líder dos socialistas, Gonzalo Caballero, celebrou que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña certificase o "impulso definitivo" ao proceso de vacinación no mes de setembro e recoñecese que a estratexia de vacinación do Goberno do Estado "é un éxito", afirmou. Mais lamentou que a Consellaría "non teña medidas para liquidar os problemas da Atención Primaria", como é o caso das listas de espera para conseguir unha cita co médico.
PRAZA_17261
Este domingo péchase a cuarta edición deste evento de arte urbana que dende o ano 2015 atrae a esta vila a algúns dos mellores creadores neste ámbito. 5 novos murais engádense aos realizados en anos anteriores. Conferencias, obradoiros, concertos e un roteiro completan a programación.
Este domingo péchase en Carballo a cuarta edición do Rexenera Fest, un evento de arte urbana que dende o ano 2015 atrae a esta vila a algúns dos mellores creadores nacionais e internacionais neste ámbito, que durante dúas semanas crean un gran mural nalgún espazo da localidade. Deste xeito, a cita serve tamén para rexenerar ou embelecer algún espazo deteriorado, que pasa a acoller unha obra de arte e converterse nun lugar singular, irrepetible. Nesta edición os artistas e as artistas convidadas son Lula Goce (Galicia), Bosoletti (Arxentina), Daniel Muñóz "SAN" (Cáceres), Milu Correch (Arxentina) e Doa (Galicia). O domingo poderá verse o resultado final do seu traballo, un proceso de creación que puido ser contemplado por veciños, veciñas e visitantes ao longo dos últimos días. Ademais, a programación do Rexenera Fest inclúe seminarios, masterclass, microconferencias (o sábado ás 17 horas), música en directo (o sábado ás 20 horas) e un roteiro guiado polas obras en creación e os murais das tres edicións anteriores (o domingo ás 17 horas). Spok e Javier Abarca ofrecerán as dúas master classes; Cro! e The Fabulous Resaca Brothers e Mr Fishman serán os encargados de poñer a música. "O festival serve como unha xanela de Carballo aberta ao mundo, que sitúa no mapa a vila a través das súas rúas e favorece un turismo cultural diferente na zona urbana do concello", destaca a organización, que salienta que "actúa en cada edición como un axente rehabilitador contra o feísmo urbanístico e utiliza as rúas como un espazo de diálogo e de expresión artística. Rexenerando espazos deteriorados, achegándolle valor engadido á paisaxe urbanística, dinamizando o tránsito peonil e expandindo os espazos de lecer nas zonas nas que se está a intervir". Web do Rexenera Fest
NOS_44864
O Tribunal Superior de Xustiza de Nafarroa vén de obrigar, mediante sentenza firme, a dous concellos, Altsasu e Olazagutia, a "colocar a bandeira española no exterior da fachada das súas casas do concello e ocupando lugar preferente no interior do edificio". A delegación do goberno en Nafarroa requeriu a 42 municipios a que puxesen a bandeira española
O Tribunal Superior de Xustiza de Nafarroa vén de obrigar, mediante sentenza firme, a dous concellos, Altsasu e Olazagutia, a "colocar a bandeira española no exterior da fachada das súas casas do concello e ocupando lugar preferente no interior do edificio". Unha decisión que se engade ás xa adoptadas a respecto doutros dous municipios navarros, Bera e Lesaka, aos que tamén se lles obrigou a pendurar o pavillón español. A Delegación do goberno español en Nafarroa realizou até a actualidade un total de 42 requerimentos, segundo lembra Diario de Navarra, a concellos para que `poñan a bandeira española nas súas fachadas. En tres destes concellos (Aranguren, Isaba e Pueyo) están aínda no prazo de cumprimento. Segundo a delegación do Goberno español, 25 concellos, após o requerimento, decidiron cumprir co establecido na lei 39/1981 de uso da bandeira española. Outros 14 municipios non cumpriron con ese requerimento, polo que a delegación iniciou proceso contencioso-administrativo contra eles. Son: lsasua, Arbizu, Areso, Batzán, Bera, Etxarri, Etxarri - Aranatz, Goizueta, Huarte-Arakil, Ituren, Lakuntza, Leitza, Lesaka e Olazagutia . A estes engádese Ituren, que se ben afirmou que ía cumpri coa lei, non o fixo.
NOS_52922
A Mesa recibe "esperanzada" a iniciativa para " garantir o uso da lingua propia a toda a cidadanía"
Unha Proposición non de lei (PNL) que recolle parte do manifesto 'Liberdade, igualdade, democracia' presentado en febreiro polas entidades sociais polas linguas foi rexistrada esta quinta feira no Congreso español coa sinatura de BNG, Compromís, PNV, EH Bildu, JxCat, PDCAT, ERC, CUP, Más Madrid e Podemos. A Mesa pola Normalización Lingüística amosouse "esperanzada" por este paso, unha Proposición non de lei (PNL) "para garantir o uso da lingua propia a toda a cidadanía". A iniciativa recolle o sinalado no manifesto Liberdade, igualdade, democracia presentado polas entidades sociais de defensa da lingua o pasado febreiro no Congreso. Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, "este é un paso pequeno mais de grande relevancia para que o Estado comece a tratar con igualdade a toda a cidadanía, para podermos vivir nas nosas linguas coa mesma facilidade, coa mesma dificuldade, que un cidadán de Madrid en castelán". Se esta PNL for finalmente aprobada, Maceira espera que teña consecuencias prácticas para que en vez de "especial respecto e protección" haxa o mesmo tratamento, a todos os niveis, nos distintos territorios. "Nin máis nin menos", sentencia, "porque o racismo lingüístico non pode ter o amparo do BOE". Esta iniciativa partiu do manifesto Liberdade, igualdade e democracia, elaborado polas entidades sociais de defensa das linguas do conxunto do Estado froito dunha reflexión conxunta derivada da necesidade de pór enriba da mesa compromisos políticos concretos que servisen para dar seguridade, garantías e pleno recoñecemento no Estado a todas as linguas proprias. Segundo o presidente da Mesa "un Estado debe ser excluínte con todas as discriminacións sexa cal for a súa razón, tamén a lingüística", polo que "se de verdade se quixeren avances na democracia e no recoñecemento de dereitos humanos débese sinalar a diferenza con eses partidos que atacan a pluralidade e a diferenza en todas as súas formas, tamén na lingüística". O manifesto contou coa implicacións de diversas entidades de todo o Estado, ademais da propia Mesa pola Normalización Lingüística, como Kontseilua (Euskal Herria), Ómnium Cultural, Ciemen e Plataforma per a Llengua (Cataluña), Acción Cultural do País Valencia (País Valenciá), Obra Cultural Balear (Illas Baleares), Nogará (Aragón) ou Iniciativa pel Asturianu (Asturias). Os axentes sociais do Estado coidan, ademais, que os compromisos marcados na súa proposta foron avalados tanto nas Recomendacións do Comité de Ministros como nas do Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, no último informe sobre o seu cumprimento por parte do Estado. Néstor Rego salientou que o Estado español na práctica non recoñece a súa realidade plurilingüe e sinalou que "a Administración Xeral do Estado e ou a de Xustiza non garanten que os cidadáns e cidadás da Galiza poidan usar a súa lingua, tal e como veñen sinalando as principais entidades sociais de impulso, normalización e defensa das linguas propias".
NOS_30418
Kalandraka presenta O porqué de todas as cousas (1993), tradución dunha obra que consolidou o xornalista Quim Monzó como un dos escritores máis relevantes da súa xeración, cun dos exercicios máis virtuosos da literatura catalá contemporánea. A crítica galega chegou a consideralo como o equivalente catalán de Suso de Toro.
Kalandraka verte para o galego un dos libros máis emblemáticos do xornalista Quim Monzó, O porqué de todas as cousas, nunha tradución que asina o tamén escritor Gonzalo Hermo. Esta novela, que viu a luz en 1993, constitúe un dos exercicios máis virtuosos da literatura catalá contemporánea, que foi mesmo adaptado nunha versión cinematográfica por Ventura Pons en 1995. Conformada por unha trintena de relatos breves cheos de sátira e de crítica social, a prosa incorre nun reflexo tan absurdo como sorprendente dos devezos e incertezas do mundo actual. As personaxes protagonistas son mulleres e homes que procuran o pracer e a fantasía, mais que se verán atrapados na dúbida e na confusión. Subvertendo estereotipos sociais, Monzó consegue co seu sempre hilarante estilo erguer a parodia con recursos sintéticos que alcanzan a máxima pureza: simple en aparencia, son unha exhibición enérxica de mestría. Así o recoñeceron os Premi Ciutat de Barcelona de Literatura e o Premi Crítica Serra d'Or de Literatura i Assaig, consagrando o autor como un dos máis relevantes da súa xeración. Viraxe comercial Esta non é, porén, a primeira ocasión de ler a Monzó en galego, senón que o título se suma a outros tres anteriores: A magnitude da traxedia (Positivas, 1989; reeditada en 1991); Vinte e nove contos (Sotelo Blanco, 2008); e Mil cretinos, que saía do prelo en 2008, xunto a Se comes un limón sen facer xestos, de Sergi Pàmies, reforzando a aposta de Xerais na literatura en catalán contemporánea. De feito, estes libros encádranse no que a investigadora Dolores Vilavedra, na súa achega ao volume Literaturas estranxeiras e desenvolvemento cultural (Peter Lang, 2015), considera unha viraxe na tradución seguindo criterios non só testemuñais senón comerciais, procurando un público actual.
QUEPASA_1050
30 foron os premios que se entregaron na VI Gala do Fútbol da Costa - QPC, en colaboración do Concello de Dumbría e a Real Federación Galega de Fútbol.
A Casa da Cultura de Olveira acolleu o broche á temporada 2018/2019, nun evento que serve de punto de encontro de todo o Fútbol costeiro (así o demostran as máis de 200 encheron o auditorio), e demostra o poder vertebrador do deporte na nosa bisbarra. Foi unha Gala moi dinámica, conducida, coma sempre, por Fran Hermida, e amenizada polo humorista esteiran Víctor Fábregas (aquí embaixo), que tirou das súas propias anécdotas sobre os aqueles campos da súa época, ata para vincular o Fútbol costeiro co fútbol inglés. A SD Fisterra (nesta foto inferior) foi a gran triunfadora da noite, vencendo 7 dos grandes Balóns de Buño, que máis de 130 persoas escolleron cos seus votos. Alí estiveron para celebralo os Rapacollóns Big Band que trasladaron o campo de Ara Solis á Casa dumbriesa para despedir a Gala dunha demostración do poder da súa batukada. O Baio, con 4 galardóns, o Corme, o Mazaricos, o Coristanco, ou As Miúdas levaron premios por partida doble. A gala, chea de tensión para os arredor 60 Nominados aos Premios, foi debullando os mellores do curso. As caras de felicidade dos escollidos no escenario confrontábanse cos que quedaron ás portas da gloria. Os Grandes Premios Tremendo Premio Calvo ao 11 ideal Despois dunha apretada votación no Premio Calvo ao 11 ideal, quedou tremendo equipo, con Diego Mallo (Coristanco) na portería, unha defensa formada por Aarón Fernández (Soneira), Breixo (Fisterra) e Antonio (Sofán); un medio campo con Aarón López (Fisterra), Lucas (Corme), Pesco (Volantes) e Bieito (Baio), e un tridente arriba con Alejo (Corme), MC (Baio) e Adrián Makaay (Fisterra). Foi o presidente da RFGF Rafael Louzán o que fixo entrega dos premios. A Gala incluíu 3 premios ao Fútbol Feminino. A familia da Vidú quixo facer entrega dos seus premios ás mellores xogadoras tanto das Miúdas como do Bergantiños Feminino, que recaeron en Antía Rey, a capi muradá; e Mery Insua, a pichichi carballesa, que non puido acodir por estar de vacacións, tendo que ser Noe Amarelle a que recolleu o premio no seu nome.Mentres, o Premio Aluminios Dumbría ao Mellor equipo de FutFem e FSF, que saíu da votación global, quedou de non en Muros, na familia das Miúdas. Víctor Trillo fixo entrega do premio. Martín Varela entregando os Premios Vidú con Antía Rey e Noe Amarelle Emotiva foi a homenaxe arbitral. Vítor Recarei expuxo un ano máis toda a dedicación do colectivo para mellorar o Fútbol Costeiro, e deu pé a un inesperado detalle ao asesor Jesús España, un dos veteranos que se xubila este ano e que se emocionou sobre o escenario. Foron os propios colexiados os que queren recoñecer a labor de varios dos seus membros, e o escollido ao Premio Saunier Duval ao Árbitro do Ano foi Adrián Pérez Rellán. Ademais o Premio Saunier Duval ao Delegado do Ano, escollido tamén polos colexiados, foi para Emilio Carreira, tamén presi do Mazaricos, por diante de Estrella (Fisterra) e Carlos Vidal (Nantón). Vítor Recarei con Jes´us España, e ese detalle do colectivo arbitral co veterano asesor. A novidade do curso, o Premio Río Sil ao Mellor Xogador de Veteranos, recaeu, tras unha votación coordinada por Modesto Parga entre os propios clubs, en Braulio (Zas). O Premio Bristol á Mellor Directiva recaeu, unha vez máis, na SD Sofán. Ricardo Serrano recolleu o premio a mans de Antonio Varela O Premio Máis Deporte á Mellor Afección tiña poucas dúbidas este ano. Despois do recoñecemento a nivel galego, os votos da Costa tamén outorgaron o galardón á Afección da SD Fisterra. Juan Jesús, presi fisterrán e xerente de Máis Deporte, entregoulle, orgulloso, o premio ao gran Bebeto, alma dos Rapacollóns. O Premio Fútbol Táctico ao Mellor Adestrador foi para… Pablo Torreira, adestrador do Baio. Foi Iván Cancela, actual presidente do Comité Galego de Adestradores, e amigo da familia de Fútbol Táctico, o que fixo entrega do premio. O Premio La Pitusa ao Mellor Equipo tamén caeu na SD Fisterra. O momento máis esperado da noite tamén sempre é a escolleita do Premio O Semáforo de Fisterra ao Mellor Xogador. Este ano houbo poudas dúbidas e o fisterrán Adrián Makaay levou un trofeo que xa ten repe. Foi Silvia Cancela, a directiva xalleira da RFGF, a que lle fixo entrega do último premio da gala antes da foto de familia dos gañadores con Víctor Fábregas. Premios especiais da Gala 2019 Elduayen e Adrián, o fillo de Álex Pombo, facendo entrega a Iván Bouzón do Premio Pombo da Costa Iván Bouzón e MC, foron o Premio Pombo e Pichichi da 1ª e Preferente. Iván Couto, de Roberto Mouro Reale Seguros, fixo entrega do premio do pichichi, mentres que Adrián, o fillo do homenaxeado con estes premios, Alex Pombo, fixo entrega do premio a Bouzón nun dos momentos da noite.Tamén Elduayen, en nome da Escola de Porteiros Nordés, subiu para facer entrega dos Premio Pombo do Fútbol da Costa Miguel e Diego Mallo, os Sebas e Alejo os Pichichis. Só Alejo non puido estar, e foi o seu herdeiro, Samuel, o que recolleu o trofeo, a mans de Ángel Garrido, de Vitureira Bouzas. Sebas recibiu o premio de mans de Esteban Blanco; Diego Mayo fíxoo a mans de Isma de Dumbría, en nome de DAFIT, e Roberto Lema, na man de Keltoi Viravento Servizos, fixo entrega a un compañeiro mazaricán de Miguel, que se recupera dunha recente lesión do tendón de aquiles. O Cabana foi escollido pola familia de QPC como Premio Especial Abdoulaye ao Fútbol Base. O presidente cabanés, Míchel, recibiu o balón de Buño a mans de Manolo Corredoira, delegado da Federación na Coruña e na Costa. En clave de canteira, o fútbol costeiro volveu escoller ao Dumbría como o Premio Autocares J. Pombo ao Mellor Equipo de Base. José Ramón Pombo entregou o galardón. O Sofán-Aspaber, a Premio Clínica O Burgo Carballo á Acción Máis Deportiva. O presidente da SD Ricardo Serramo e a xerente de Aspaber, Dolores Fernández Garcia, recolleron o premio a mans de Antonio Ares. Suso, o eterno capitán do Dumbría, o Premio Histórico Senra Sport. Manolo López e Iván Pequeño recibiron o trofeo no seu nome pois estaba de vacacións, e foi Doro, que tantas veces subiu a recibir estes premios, o que o entregou en nome de Senra Sport. Patrocinadores A familia de QPC non pode máis que agradecer a todo o elenco de patrocinadores que fan posible esta gala: Calvo, Bristol, Fútbol Táctico, O Semáforo de Fisterra, La Pitusa. Máis Deporte Río Sil, Aluminios Dumbría, Saunier Duval, Clinica Burgo Carballo, Autocares J. Pombo, Senra Sport, Roberto Mouro-Reale Zas, Vitureira Bouzas, Esteban Blanco, Keltoi Viravento Servizos, DAFIT e Escuela Nordés. Repaso das Galas Gala 2018: A Gala QPC puxo en Santa Comba o emocionante broche de ouro á temporada do Fútbol da Costa. Gala 2017: A emoción, protagonista da Gala do Fútbol da Costa – QPC. Gala 2016: Unha Gala para seguir unindo o Fútbol da Costa. Gala 2015: O Outes, Iago, e Álex Pombo foron os protagonistas da II Gala do Fútbol da Costa – QPC. Gala 2014: QPC entregou os premios do Fútbol da Costa 2013-2014. 2013: Presentación do Álbum: A noite das estrellas do Fútbol da Costa.
PRAZA_12018
O grupo de investigación Nomes e Voces publica na súa web un monográfico multimedia sobre os procesos de investigación, vixilancia e control social en Galicia durante os anos da guerra civil.
O especial A Vixilancia e a represión en Galicia tras o golpe de Estado de 1936 continúa afondando no estudo que o grupo de investigación da USC Nomes e Voces realiza sobre a represión franquista, neste caso anlizando a maneira en que esa represión durante a guerra civil e nos anos seguintes converteu os cidadáns "en potenciais espías e en potenciais delincuentes". O profesor Emilio Grandío salienta que "a captura e recollida de información tivo un papel determinante na construción do réxime franquista. Toda a sociedade tiña que estar baixo sospeita", Grandío afirma que "o obxectivo dos sublevados era dar a sensación de que o Estado era unha especie de 'gran hermano' vixiante. Non se admitía o debate, nin a discrepancia, nin a controversia". Segundo o proxecto de investigación, Galicia, onde os sublevados fascistas tomaron o control nuns poucos días, converteuse no laboratorio onde probar o desenvolvemento dunha nova realidade institucional que se creaba practicamente da nada. Dende ese intre o conxunto da sociedade colocouse baixo sospeita e abríronse os procesos de investigación, delación e depuración. Toda sociedade atopábase suxeita a vixilancia. Neste contexto é evidente que a rutina das delacións e o apoio de boa parte da sociedade civil a estas medidas e actitudes é fundamental. A sensación de normalidade era, tan só, aparente. Unha situación anormal que se converte de xeito forzado en cotián. Como escribe Javier Rodríguez González, profesor da Universidade de León, e Investigador Principal do proxecto, xunto con Grandío, "a implicación activa da gran parte da sociedade civil, a que se sentía vencedora, no perverso plan de amedrentamento, terror e marxinación social da ditadura franquista colocou os vencidos nunha situación de permanente sometemento moral, chantaxe emocional, desprezo e humillación". Como destaca a investigación, "os cidadáns perden os seus dereitos e serán clasificados en afectos, desafectos e indiferentes. Estes últimos tamén contribuían á continuidade do sistema". Web do especial Vixilados. A Vixilancia e a represión en Galicia tras o golpe de Estado de 1936
PRAZA_19038
As peregrinacións xacobeas convértense así na cerna da "nova" política económica da Xunta e o Ano Santo de 2021 está aí, polo que cómpre darlle o contido "histórico" que a Axencia de Turismo e a catedral demandan á universidade. Neste contexto, as autoridades da USC decidiron sumarse a este peculiar proxecto de país botando man de historiadores que no seu día foron refractarios á renovación historiográfica que Galicia coñeceu
"Por que falar a quen non ten oídos?..." Jean-Paul Sartre Poucas veces o historiador ten a oportunidade de asistir á formación por parte das clases dominantes dun bloque hexemónico coa intención de converter a súa particular visión do presente e do futuro en algo "natural" Poucas veces o historiador ten a oportunidade de asistir á formación por parte das clases dominantes dun bloque hexemónico coa intención de converter a súa particular visión do presente e do futuro en algo "natural", "válido" e "universalmente aceptado" por todos os galegos grazas, neste caso, á manipulación do pasado. Normalmente a formación deste tipo de bloques é froito dun proceso longo, que en Galicia pareceu pecharse en primeira instancia o pasado 20 de decembro de 2016. Foi entón cando se fixo público o convenio asinado entre a Axencia de Turismo da Xunta de Galicia, a Igrexa e a Universidade de Santiago para a creación dunha "Cátedra do Camiño de Santiago" destinada a difundir na sociedade os "valores asociados ás peregrinacións" (!?), grazas os 40.000 euros achegados pola Xunta. O 1 de novembro de 2016 Praza Pública informaba da existencia dese convenio e puña o acento no dereito de veto que as autoridades da catedral de Santiago tiñan tanto a respecto da persoa nomeada polo reitor para facerse cargo do negocio como da posibilidade que este lles outorgaba de nomear cargos de dirección na citada cátedra. A nova non suscitou reaccións salientábeis na USC, malia non ser un asunto menor ou anecdótico A nova non suscitou reaccións salientábeis na USC, malia non ser un asunto menor ou anecdótico. Non o é que o reitor, cabeza visíbel dunha universidade pública, asuma o veto e a censura eclesiástica neste asunto, xa que supón que a USC empregará na súa vida académica os criterios ideolóxicos da Igrexa á hora de seleccionar o historiador escollido para xestionala, excluíndo así a tod@s aquel@s que teñen unha visión histórica crítica coas peregrinacións xacobeas e a suposta pegada que os seus valores tiveron na historia de Galicia. Tampouco o é que un reitor "progresista" acepte que os cartos públicos financien as actividades docentes que unha institución privada como a catedral de Santiago vai promover no seo da USC. E menos aínda que consinta en darlles cobertura académica á custa de socavar as bases da renovación historiográfica que a Historia experimentou en Galicia nos últimos corenta anos, após liberarse dos vellos esencialismos e valores pseudohistóricos predicados polo Franquismo e a Igrexa durante a Ditadura. O reitor da USC e o seu consello de goberno puideron evitar todo isto, xa que foron informados do que suporía a sinatura dese convenio nunha carta que o pasado 18 de novembro lles remitiron varios profesores da Facultade de Xeografía e Historia. Malia iso, o primeiro non dubidou en ratificalo publicamente un mes despois. Un feito que non deixa de ser paradoxal nun equipo de goberno auto-cualificado de "progresista", e xa que logo, supostamente, defensor do ensino público, laico, gratuíto e de calidade. Aínda que máis rechamante é que sexa unha reitoría "progresista" quen feche en primeira instancia o proceso de hexemonía cultural que Manuel Fraga Iribarne, antigo ministro de Información e Turismo de Franco, puxo en marcha en Galicia a mediados da década de 1960 coa axuda das clases dominantes do país. Na altura, intentaran aproveitar o Ano Santo de 1965 para converter as peregrinacións xacobeas nun evento propagandístico do réxime franquista con fins turísticos e relixiosos. O reitor da USC e o seu consello de goberno puideron evitar todo isto, xa que foron informados do que suporía a sinatura dese convenio nunha carta que o pasado 18 de novembro lles remitiron varios profesores da Facultade de Xeografía e Historia Xa en democracia, esta vez como presidente de Galicia, Fraga Iribarne volvía sobre ó asunto co gallo do Ano Santo de 1993, creando o Xacobeo e involucrando nel a Igrexa, os axentes económicos, as elites sociais e culturais, os medios de comunicación… En estreita colaboración con todos eles, a Xunta promoveu a celebración de actos culturais de claras implicacións políticas, ideolóxicas e turísticas. Para iso contou tamén cunha nómina de eruditos e curiosos, ós que se sumaron algúns historiadores profesionais. Así, co patrocinio da Xunta ás grandes exposicións, simposios e unha liña editorial propia, moitos deles procederon a interpretar a historia de Galicia "en clave xacobea". Insistían pois nesa peculiar vinculación de Galicia con Europa e España que servía para alimentar ideoloxicamente a idea de autoidentificación coa que Fraga Iribarne trataba de combater a crecente inclinación dos galegos a votar en clave nacional (en 1997 un 25% dos votantes o fixo polo BNG). No ano 2016 a estratexia conservadora deu un paso máis. Agochando a responsabilidade histórica que os gobernos do PP e as elites sociais do país teñen no deseño e fracaso das políticas económicas que causan a emigración dos nosos mozos, a Xunta acelerou desde 2011 a introdución do natalismo en Galicia. Toca pois insistir en que somos un país de vellos e en que tanto o seu futuro como o dos nosos fillos pasa indiscutibelmente polo desenvolmento do turismo. Pasa, en definitiva, por recorrer ás bases da vella política económica que Manuel Fraga Iribarne impulsara no Levante español durante a década de 1960. As peregrinacións xacobeas convértense así na cerna da "nova" política económica da Xunta e o Ano Santo de 2021 está aí, polo que cómpre darlle o contido "histórico" que a Axencia de Turismo e a catedral demandan á universidade. Neste contexto, as autoridades da USC decidiron sumarse a este peculiar proxecto de país botando man de historiadores que no seu día foron refractarios á renovación historiográfica que Galicia coñeceu. O custo científico e social desta aposta para ese mesmo país nada lles importa. As peregrinacións xacobeas convértense así na cerna da "nova" política económica da Xunta e o Ano Santo de 2021 está aí, polo que cómpre darlle o contido "histórico" que a Axencia de Turismo e a catedral demandan á universidade Así se conforma esa Santa Alianza. Mais é obvio que moitos historiadores profesionais nin estamos por nin participamos deste estraño negocio. Por iso o reitor e o seu consello de goberno non quixeron escoitarnos ou darnos unha explicación do franco menosprezo que amosan polo exercicio da Historia coma ciencia social ó pretender aliñala ideoloxicamente. Porén, ó facelo, non sabían que se convertían no mellor exemplo que os historiadores poderán pór ós seus alumnos acerca da capacidade crítica que posúe a Historia, ó estar en condicións de explicar, dentro e fora das aulas, os intereses que se agochan trala manipulación que esta Santa Alianza pretende facer do pasado histórico de Galicia.
NOS_56547
As galegas estréanse na máxima categoría na casa e ante 40 persoas
O Viaxes Amarelle -por fin- poderá estrearse na Primeira División do fútbol sala feminino, logo do aprazamento da primeira xornada. Así, as xogadoras de Jorge Basanta arrancarán o campionato esta sexta feira, 23 de outubro, ás 17 horas no Pavillón Municipal da Sagrada Familia (A Coruña) ante o AE Penya Esplugues. O rival das herculinas para esta fin de semana é un equipo asentado na categoría e que nas últimas campañas sempre estivo na zona media da táboa, destacando especialmente desde a súa fusión na 2016/17 co Gironella. De feito, na presente tempada iniciou a competición recibindo a visita dun Cidade dás Burgas ao que se impuxo por 6-1, o que lle serviu para liderar o Subgrupo A da Primeira División de fútbol sala. Conscientes do desafío, as xogadoras do Viaxes Amarelle traballan desde hai máis de mes e medio para estar á altura nesta nova aventura na máxima categoría, e tras o bo sabor de boca conseguido nos últimos amigábeis contra rivais que aspiran á zona nobre, agardan poder disputar un partido igualado e conseguir os primeiros puntos dunha tempada atípica e onde cada partido que se dispute é como unha final, dada a incerteza de cantos encontros poidan disputarse na presente tempada polas interrupcións que provoquen os casos de positivos nas diferentes escuadras. Para este primeiro encontro oficial da nova tempada, as coruñesas contarán no Pavillón Municipal da Sagrada Familia co apoio de 40 persoas, o número máximo autorizado logo das novas restricións impostas pola Xunta da Galiza. Debido a iso, para este primeiro encontro de competición oficial non puido abrirse o acceso para todas as socias do clube. Por iso, e coa intención de paliar na medida do posíbel as limitacións de todas as socias e afeccionadas ao fútbol sala que tiñan a intención de gozar con este debut na Primeira División, o conxunto herculino ten previsto retransmitir o encontro por streaming a través da súa canle de Youtube Problemas tamén para O Parrulo Ferrol As restrición á presenza de público nas bancadas tamén afectará esta fin de semana ao Parrulo Ferrol, que compite na Primeira División de fútbol sala masculino. Porén, a directiva irá máis lonxe que o Viaxes Amarelle e, "ante o incremento do nivel da alerta sanitaria", tomou a decisión de que o partido que os enfrontará esta sexta feira contra o poderoso El Pozo Murcia será a porta fechada.
NOS_19765
Avogada da querela arxentina contra os crimes do franquismo, esta bonaerense ex-funcionaria da ONU, está na Coruña, onde esta cuarta feira imparte na Casa Museo Casares Quiroga unha conferencia sobre dereitos humanos e vítimas do franquismo.
Ana Messuti (Bos Aires, 1946) era profesora asociada na universidade da capital arxentina cando se producíu o golpe de estado de 1976, encabezado por José Rafael Videla. Tivo que fuxir ao exilio. Doutora en dereito e ex-funcionaria de Nacións Unidas en Viena e Xenebra, é avogada da querela arcentina contra os crimes do franquismo. Esta cuarta feira participa na Coruña, canda Carlos López Keller, ex-maxistrado da Sala do Contencioso do TSXG e membro de Xuíces para a Democracia, na palestra 'Os dereitos humanos das vítimas do franquismo. A querela arxentina na defensa das vítimas'. Será ás 20:00 horas na Casa Museo Casares Quiroga. O acto está organizado pola CRMH e Foro Cívico. - En que fase se atopa actualmente a causa? - Está na fase de instrución, recibindo querelas, tomando declaracións. Tomamos case todas as declaracións testemuñais previstas para este ano. Os xulgados españois están colaborando, chamando sen presenza da xuíz arxentina, que non era preciso, aos declarantes. Podemos dicir que estamos nun período de espera para ver cal é a reacción dos xulgados perante a instrución da fiscal xeral do estado. - Isto comezou hai xa seis anos... - Empezou con Darío Rivas. O seu pai era o alcalde de Castro de Rei, en Galiza, e foi asasinado. El interpuxo unha querela embora xa exhumase os restos do seu pai, mais a querela interpúxoa por necesidade de ter xustiza. - Desde entón, houbo, chamémoslle así, 'triunfos ao longo destes anos de proceso? Déronse pasos de calado, importantes? - Houbo moitas cousas. Un dos triunfos foi que se tome declaración, non só por parte da xuíza arxentina, senón tamén polos tribunais españois a solicitude da xuíza arxentina. Ou a exhumación de 22 persoas nunha foxa do cemiterio municipal de Guadalaxara. Son pasos importantes. Como o de ter unha causa aberta, caratulada como de 'lesa humanidade' e que a xente sabe que pode recorrer a ela. Xa se presentaron máis de cen denuncias e máis de 300 querelas. - Investigar os crimes do franquismo desde 8.0000 quilómetros de distancia, é tan difícil, tan complicado como soa? - Depende, eu non sei como soa (ri). O máis complicado é deixar no esquecemento, no silenzo, cando hai tanta xente que está reclamando que se investigue, que se faga algo. O terríbel é non facer nada. Claro que é un camiño complicado, un camiño difícil, o ideal sería que todo isto se xulgase aquí, mais perante esa imposibilidade aparente, porque creo que non é unha imposibilidade real senon creada pola interpretación que se fai da xustiza, das normas; eu creo que por moitas complicacións que se dean non se poden deixar no esquecemento eses crimes horríbeis. - Fala do esquecemento. Foi un dos alicerces da transición española, un exercicio de esquecemento do que acontecera neses corenta anos... - Foi un esquecemento imposto, non é un olvido natural e que nós esteamos a remover. A xente vén, nós non imos a buscala. A xente vén e reclama e lembra, non se pode impoñer o esquecemento. - Comete o estado español un delito ao non dar resposta ás vítimas? - O problema non é dar resposta e que nin sequer as escoita., e iso chámase denegación de xustiza. - Nunha entrevista no 2013 vostede afirmaba que o que houbo no estado español foi "un plan sistematico de exterminio". Unha cualificación que pode parecerlle 'chocante' ou 'desorbitada' a moita xente - O vocablo está elixido en función do que se definen como delitos de lesa humanidade no Estatuto de Roma [instrumento constitutivo da Corte penal internacional, CPI] e noutros instrumentos internacionais. Pode soar mal, pode parecer que o que houbo foi un caos no que houbo mortes, mais non. Houbo un estado, un goberno, que proclamaba a necesidade de matar, e incitaba a matar, a quen consideraba inimigo. Evidentemente, había unha sistematicidade, esa organización do crime, ese amparo que lle daba o estado. Ninguén pode negar o da xeralización, a sistematización deses crimes. E respondían a unha 'coherencia': a quen se asasinaba? Non se asasinaba a calquera senón a calquer persoa que era sospeitosa de ter determinadas ideas. - Vostede tivo que exiliarse ao chegar a ditadura de Videla en Arxentina. Unha vez que esa ditadura acabou, como se afrontou ese pasado en Arxentina? Alí si que se xulgaron os crimes, os culpábeis... - A paradoxa é que se afrontou alí após terse afrontado aquí, nos xuízos de Madrid, que foi onde comezou a verdadeira xustiza arxentina. As protagonistas da xustiza arxentina foi o movemento social das Nais da Praza de Maio, ese movemento foi o impulsor, que impulsou o poder xudicial arxentino, que logrou a anulación das leis de punto final e obediencia debida. Ora ben, onde comezou todo iso? Tivemos 23 anos houbo impunidade en Arxentina. Estes 23 anos tiveron un término cando comezaron os xuízos en España. Iso non pode esquecerse, España foi un país senlleiro, un exemplo en materia de xurisdición internacional, aí están os xuízos da Arxentina, o de Pinochet, Guatemala... É unha mágoa que agora se feche no caparazón do seu dereito nacional penal.
QUEPASA_1020
10 anos de narcotráfico na Costa da Morte.
Segue varada na boleira do Cabo C, escoltada pola Policía Nacional, a planeadora que aparecía esta fin de semana nas rochas de Corcubión. Unha circunstancia que volve poñer de manifesto que a historia do narcotráfico na Costa da Morte non rematou. O asunto vén salpicado pola descuberta, esta pasada noite, dun alixo de ata 3 toneladas de cocaína nun mercante no mar da Mariña, mentres as forzas de seguridade estudan a posible relación entre ambos fitos. Operación Bocanegra Diferentes imaxes da Operación Bocanegra O alixo foi atopado nunha operación levada a cabo Axentes da Garda Civil e de Policía Nacional e xunto con funcionarios de Vixilancia Aduanera da Axencia Tributaria, e a colaboración da Armada Española. Un buque da Armada, o Serviola, interviu 3.000kg de cocaína a bordo dun mercante a altura de Ribadeo, que tiña previsto transbordar a droga a outras embarcacións menores ao seu paso polas costas galegas para, unha vez en terra, ser distribuída por diferentes países europeos. A investigación remóntase ao mes de maio do pasado ano, a raíz dunhas escoitas dunha banda da Comarca do Salnés, da provincia de Pontevedra, que puxeron no punto de mira o buque de nome NEHIR, de 52 metros de eslora e bandeira da República de Palau. As malas condicións meteorolóxixas destes días impedían facer o trasbordo polo que as forzas de seguridade decidiron interceptar a nave en plena travesía. Ante o asalto do buque por parte do GEO da Policía Nacional, os tripulantes abriron unha vía de auga para afundilo e así eliminar todas as probas posibles. Pero a rápida intervención permitiu rescatar, antes do afundimento, a cocaína e aos 9 tripulantes (de nacionalidades georgiana e turca). O buque da Armada chegou esta pasada madrugada ao porto de Ferrol.
PRAZA_5857
Realizará un acto na praza do Toural, en Compostela, ás oito da tarde deste xoves, que se converterá nunha "manifestación retranqueira" pola zona vella da cidade.
"Froilán, Rei da Galiza/ Elena Raiña de España/ Po-lo direito a apandar!". O autodenominado Partido Froilanista convoca, este xoves ás oito da tarde, unha concentración na praza do Toural, en Compostela, que se converterá nunha "manifestación retranqueira" pola zona vella da cidade en defensa dos dereitos de acceso ao trono da infanta Elena e do seu fillo Froilán. A concentración reclamará "o inalienábel direito ao trono do Histórico Reino da Galiza pra D. Felipe Juan Froilán de todos los Santos de Marichalar y Borbón y cuenta nueva" A concentración, convocada co "consenso de distintos colectivos, partidos, sindicatos e organizacións ridiculistas de base", reclamará "o inalienábel direito ao trono do Histórico Reino da Galiza pra D. Felipe Juan Froilán de todos los Santos de Marichalar y Borbón y cuenta nueva". Tamén a "apertura de primárias 'a la gallega' na sucesión ao trono de España, con vistas a que poda concorrer a nosa candidata favorita, Dona Elena de Borbón, quen é super-riquiña (o cal a capacita pra portar a coroa e a capa de armiño)". Finalmente, pedirá "a apertura inmediata de unha consulta na que se pergunte por (primeiro) o direito a abuchanarse da sociedade española e (segundo) o direito das nacións sen estado a achantar co que hai, e foderse sine hora". A convocatoria pide que os e as asistentes á convocatoria acudan "coas mellores galas" A convocatoria pide que os e as asistentes á convocatoria acudan "coas mellores galas", recomendando como dress code "boina azul e barba hipster", sinalando que "o froilanismo é o novo carlismo", portando tamén "bandeiras do Reino Suevo e da Galiza (nada de estrelas vermellas!)" ou "máscaras de Anonymous e espingardas de plástico". Engaden que é "imprescindíbel ir limpos e aseados" pois "somos xente de ben, non perroflautas nin republicanos". E anima a que o acto de apoio a Froilán e Elena sexa máis numeroso que o que a pasada semana se celebrou tamén no Toural en apoio a Felipe VI. Na convocatoria tamén se lembra a coñecida canción de Os da Ría: "Infanta Elena, Infanta Elena! Sóplame el culo que tengo arena!", co engadido de "ReferenDA!".
PRAZA_13557
A falta de vitaminas de autor na carteleira desta semana queda compensada pola vitalidade dunha proposta aínda nas salas: Moonrise Kingdom. O novo de Wes Anderson segue a voltas co universo infantil inaugurado por Fantástico Mr. Fox, marabillosa película de animación en stop-motion
Chega o verán, e con el as estreas decepcionantes. Tamén é o momento de darlle un respiro a esta colaboración por uns meses, que nas vindeiras semanas intuímos quedaría un pouco raquítica. A falta de vitaminas de autor na carteleira desta semana queda compensada pola vitalidade dunha proposta aínda nas salas: Moonrise Kingdom. O novo de Wes Anderson segue a voltas co universo infantil inaugurado por Fantástico Mr. Fox, marabillosa película de animación en stop-motion, esa técnica que fixo famoso ao Harrihausen de Jasón y los argonautas ou ao Burton de Pesadelo antes do Nadal. Anderson está considerado por algúns como un dos máximos expoñentes desa xeración de cineastas ianquis preto dos 50 anos, debedores do Novo Hollywood de Scorsese, Coppola e compañía. Engádanse á nómina Quentin Tarantino, Paul Thomas Anderson, James Gray ou David Fincher, entre outros. Máis aló de ter compartido algunha caña e de ser todos bos cineastas, parécense entre eles como a noite e o día, mais os críticos gustamos destas clasificacións para facernos a vida máis doada. Persoalmente, ata que se volveu infantil, non considero que Anderson fose un autor adulto e completo, centrado, como si o son os outros da listaxe. Life Aquatic ou Os Tenenbaums eran simplemente demasiado estridentes como para centrarse no drama dos personaxes, que acababan por provocar repulsión Life Aquatic ou Os Tenenbaums eran simplemente demasiado estridentes como para centrarse no drama dos personaxes, que acababan por provocar repulsión. A opulencia visual tapaba a grandeza duns guións tan interesantes como irregulares. Todo o humor e a estética que o veñen caracterizando toman o nivel de filme total en Moonrise Kingdom. Cun arranque xenial, no que introduce os personaxes e os lugares da illa ficticia na que viven a través de traballados travellings laterais ou verticais, Anderson logra con grande concreción narrativa meternos rapidamente na pel de dous adolescentes que foxen da casa para ter xuntos unha aventura romántica. Se cadra a man de Roman Coppola no guión poda ter algo que ver cuns diálogos secos, directos e retranqueiros, que son unha delicia. O máis importante da película é que irradia a vitalidade propia dunha idade xa perdida, na que todo é posible se estás disposto a soñalo. Nun mundo con toques tan oníricos e surrealistas, todo vale, de modo que o director insire técnicas de animación e trucaxes propios do mellor Meliès cando lle prace, sen que a obviedade do truco, enxebre, moleste. Máis ben é outro dos valores dun filme planificado case que fotograma por fotograma, cunha precisión propia do mellor artesán (no mellor sentido da palabra), que chega a perfeccionar unha técnica a base de probas e erros. Anderson ten no técnico alma de director artístico, de aí que lle dea unha grande importancia aos efectos especiais, escenarios e aos obxectos que hai neles Anderson ten no técnico alma de director artístico, de aí que lle dea unha grande importancia aos efectos especiais, escenarios e aos obxectos que hai neles. Detalles como as portadas pintadas a man dos libros de aventuras e ciencia ficción que leva Suzy, a rapaza escapada, na mochila; ou o deseño do tocadiscos, con ese espléndido disco de Françoise Hardy, Le temps de l'amour, soando na escena máis emotiva do filme; suman puntos a un filme que funciona tamén pola boa escolla de casting. A boa planificación de Anderson na secuencia da cala, a excelente fotografía de Robert D. Yeoman, e unha notable montaxe; fan destes minutos, nos que Suzy e Sam aprenden o que é bicarse ao ritmo da música de Hardy, unha verdadeira gozada. Mais nada funcionaría sen eses portentos que son Kara Hayward e Jared Gilman. De onde sacou Anderson estes raparigos? Moonrise Kingdom é unha película para a toda a familia sen engano publicitario No lado dos adultos, totalmente disfuncionais nas súas vidas privadas e profesionais -xa o diciamos hai un par de semanas: a xuventude é o único futuro a un sistema anquilosado-, unha recua de nomes de primeira e con moitos ceros no cheque: Bruce Willis, Edward Norton, Frances McDormand e un xa habitual Bill Murray -Anderson gusta de repetir con certos actores, tendo xa Murray participado en seis dos seus nove filmes-. En resumo, Moonrise Kingdom é unha película para a toda a familia sen engano publicitario. Aquí os adultos atoparán múltiples puntos de interese -non deixa de ser a cinta unha fábula que nos tira das orellas-, mentres que a mocidade descubrirá que existe outro cinema estimulante máis aló de Walt Disney. Máis información sobre cinema, n'A Cuarta Parede
NOS_33346
O parlamentar Xesús Ron insiste na necesidade de determinar o "uso, actividade e estado" de todos os investimentos co-financiados pola Unión Europea no noso país.
Unha proposición non de lei defendida por Alternativa Galega de Esquerdas para exixir unha auditoría sobre o uso e estado dos fondos comunitarios en Galiza acabou no limbo das iniciativas parlamentares, nas que acaban das que non gosta o goberno. Malia ter o apoio do BNG e do PSdeG, os populares fixeron valer a súa maioría, máis unha vez. "Unha nova mostra de opacidade total da xestión e a arbitrariedade", dixo o deputado Xesús Ron. A proposta de AGE pedía que o parlamento instase á Xunta a realizar unha auditoría dos usos dos fondos públicos europeos. Ron incidiu na necesidade de empregar dunha maneira "racional, crítica e sustentábel" as achegas económicas da UE. Por iso, sinalou, é importante determinar o "uso, actividade e estado" de todos os investimentos cofinanciados pola Unión Europea en Galiza. O parlamentar na sua intervención an comisión de Asuntos Europeos, puxo exemplos dio que cualificou de "décadas de mirar para outro lado e deixar facer" cos fondos comunitarios: o caso da reforestación de terras agrarias na Costa da Morte, as mini-depuradoras da Deputación de Ourense, o xuízo do delegado da Xunta en Ourense... Ron criticou o "faraonismo" e a "ausencia de investimentos produtivos" das actividades pagadas con diñeiro da UE.
NOS_32333
Os resultados tirados polo Consello Supremo Electoral (CSE) nicaragüense amosan o triunfo da Frente Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) en 134 das 153 alcaldías do país, incluída a capital, Managua.
A alianza sandinista, forza política maioritaria no país, tería obtido 824 mil 275 votos dos máis dun millón oitenta mil elector@s que concorrenron ás urnas o pasado domingo 4 de novemebro. Segundo o presidente de Nicaragua, Daniel Ortega, "os nicaragüenses ratificaron o camiño da paz, da seguridade e a non confrontación". Hugo Chávez: "O triunfo da FSLN é un reflexo do fortalecemento dos gobernos populares" Pouco despois de se coñeceren os resultados electorais, o presidente venezolano, Hugo Chávez, felicitou ao sandinismo pola súa vitoria da cal dixo "é un reflexo do fortalecemento dos gobernos populares" en América Latina. Pola contra, a voceira do Departamento de Estado estadounidense, Victoria Nuland, puxo en dúbida a transparencia do proceso electoral e asegurou que o seu país se amosa "preocupado porque as eleccións municipais en Nicaragua non conseguiron demostrar un grao de transparencia que asegure ás e aos nicaragüenses e á comunidade internacional que o proceso reflectise o desexo do pobo". Os comicios obtiveron unha participación do cincuenta por cento do electorado, a maior desde 2002.
PRAZA_19918
"Consideramos necesario explotar un feito diferencial que une a Pontevedra con Fátima: foi aquí onde se lle apareceu a Virxe a sor Lucía e, posteriormente, o neno Xesús", mantén o concelleiro popular Rafael Domínguez
O PP ten en marcha dende hai tempo a súa estratexia para as aínda afastadas no tempo eleccións municipais de 2019. A ofensiva política lanzada por Alberto Núñez Feijóo dende a propia sede da Xunta inmediatamente despois de revalidar a súa maioría absoluta ten diferentes vertentes. Unha, a gobernamental, con escolleitos anuncios de investimentos. Outra, a estritamente partidaria, que polo momento vén tendo como protagonista ao secretario xeral da formación, Miguel Tellado, fixo parada esta semana en Pontevedra, cidade da que dixo non "merecer" ser "o último bastión do nacionalismo" cun goberno "inimigo da actividade económica". Inmediatamente despois da visita do 'número dous' de Feijóo os populares pontevedreses lanzaron unha proposta para "potenciar o municipio": a promoción das "aparicións marianas". Un dos participantes no encontro do grupo municipal con Tellado, o edil Rafael Domínguez, vén de detallar unha iniciativa que o PP defenderá no vindeiro pleno da corporación. Instarán o goberno do BNG, din, a "sumar o turismo relixioso" ao que xa "ofrece" nos eidos "cultural, gastronómico ou deportivo". "Consideramos necesario explotar un feito diferencial que une a Pontevedra con Fátima e Lourdes: as aparicións marianas", nomeadamente, "a aparición da Virxe a Sor Lucía en Pontevedra", en referencia á relixiosa portuguesa á que a tradición católica sitúa como protagonista das aparicións de Fátima, que o Papa Francisco conmemorará cunha visita a mediados de maio. "Consideramos necesario explotar un feito diferencial que une a Pontevedra con Fátima: foi aquí onde se lle apareceu a Virxe a sor Lucía e, posteriormente, o neno Xesús", mantén o concelleiro popular Rafael Domínguez O plan proposto polo PP estaría sustentado en "tres accións", a primeira delas "promover o Santuario das Aparicións de Pontevedra" e, a continuación, "estudar a posibilidade de crear un roteiro turístico que ligue" este espazo relixioso "con outros enclaves relacionados coas aparicións marianas" e "establecer sinerxias con outras administracións". Así, asegura, lograríase que "un maior número de persoas poidan coñecer Pontevedra". Domínguez explica que lanzan esta proposta porque "durante máis de 25 anos sor Lucía viviu en Pontevedra, escondida con outro nome" e "foi aquí, na nosa cidade, onde se lle apareceu Virxe a posteriormente, o neno Xesús". "O famoso terceiro segredo de Fátima -debulla o concelleiro- escribiuse sobre un baúl aquí, en Pontevedra, que aínda permanece gardado no Santuario das Aparicións". Neste sentido, os populares explican nun comunicado que Rafael Domínguez "desvelou ademais" un "feito que poucas persoas coñecen: o presidente dos Estados Unidos John Fitzgerald Kennedy, católico convencido, tras saber das aparicións marianas en Pontevedra enviou unha imaxe e unha carta que aínda permanecen custodiadas no santuario". "Promover o coñecemento das aparicións marianas en Pontevedra supón abrir posibilidades de captar" o "importante fluxo de turismo" que se dirixe a Fátima, mantén o PP pontevedrés, polo que o goberno municipal debera "aproveitar" este "elemeno único e diferencial". A proposta enmárcase nun contexto no que a dirección galega do partido asegura, a través de Tellado, que Pontevedra precisa "recuperar o pulso" porque está "rezagada" e para isto cómpre "mudar de alcalde" e non que continúe o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, a quen ve "convertido nun defensor de ditadores" pola súa participación, este sábado, nun acto sobre Fidel Castro.
NOS_52739
A central nacionalista realizou na capital da Galiza a súa asemblea nacional de delegad@s para avaliar mobilizacións e respostas ás agresións antisociais do PP
Desde o Pazo de Congresos, onde realizaron a asemblea nacional de delegad@s até San Caetano, sede da Xunta. Máis de mil delegados e delegadas da CIG marcharon polas rúas e avenidas de Compostela para mostraren o rexeitamento contra das políticas de recortes e as medidas antisociais aplicadas polos gobernos español e galego. Na asemblea, analizáronse as últimas medidas adoptadas polos gobernos do PP e procedeuse a debater e decidir sobre as "necesarias respostas da central nacionalista". Nesa cita fixouse un novo calendario de mobilizacións coa finalidade de "acumular forzas" para facer fronte á ofensiva dos gobernos do PP contra os dereitos e intereses da maioría social. A CIG valorou finalmente a conveniencia de adiar a convocatoria dunha folga xeral co obxectivo de acumular forzas cos demais sindicatos e lograr unha resposta masiva como a do pasado 19 de xullo.A central nacionalista porá en marcha un novo calendario de mobilizacións que dará comezo a finais de setembro con concentracións en todas as comarcas coincidindo coa aprobación dos orzamentos xerais do estado. O 4 de outubro, ademáis, celebraranse manifestacións en todo o país coincidindo co inicio da campaña electoral para amosar "o noso rexeitamento público ás políticas do PP en Galiza e no Estado español". Suso Seixo, secretario xeral da CIG, inaugurou a asemblea facendo un repaso das principais causas da crise económica. Lembrou, neste sentido, que se trata dunha problemática xerada polo gran capital a través da especulación financeira, chegando ao seu punto máis alto coa actual especulación coa débeda pública dos países. Pensións e negociación colectiva Tamén advertiu contra "os ataques ás pensións e á negociación colectiva, xa que pretenden facer competitiva a economía española mediante recorte de salarios". Neste sentido, indicou que a CIG calculou que a baixada de soldos podería achegarse ao 20-25%, na procura por parte dos poderes de acadar a competitividade da economía española a través da precarización do traballo. Seixo censurou que as medidas que está a aplicar o PP desde e Xunta e desde o goberno español "non están a servir para saír da crise senón que provocan máis recesión, perda de dereitos e empeoramento das condicións de vida da clase traballadora". Fronte a isto -lembrou- hai políticas alternativas que teñen que ser implementadas "en función da maioría social e non da banca e dos especuladores". Seguidismo do sindicalismo españolista No que respecta á resposta sindical, Seixo amosouse moi crítico coa actitude do sindicalismo españolista, pois entende que a pesar da situación esas centrais seguiron coa política de diálogo co poder. "Chegaron a acordos cos responsábeis da crise para baixar salarios, atacar e reducir as pensións porque pretenden impedir o acceso da maioría social ao sistema público de pensións co obxectivo de promover o sistema privado, do cal se benefician grandes empresas e sindicatos como CCOO e UGT", asegurou.
NOS_58130
O goberno español solicitou paralizar a proposición de lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza.
A Mesa do Congreso español ratificou esta terza feira a decisión de non aceptar o debate do traspaso da AP9 do Estado a Galiza, unha proposición de lei aprobada por unanimidade polo parlamento galego. O executivo que preside Mariano Rajoy solicitou paralizar a tramitación de 16 proposicións non de lei propostas pola oposición ou por parlamentos autonómicos. O seu argumento xustificador para esta postura é que se esas solicitudes fosen aprobadas suporían unha desviación de 6.100 millóns de euros e porían en risco o cumprimento do plan de estabilidade comprometido con Bruxelas.. Porén, o argumento bate coa realidade: a AP9 é unha infraestrututa que dá beneficios. O goberno oponse a resgatala mais si que destinará até 5.000 millóns de euros a ficar con autoestradas en quebra, como o sistema de 'radiais' de Madrid. O goberno español acóllese á lexislación que establece que todas as proposicións de lei que se rexistran no Congreso deben contar co visto bo do executivo para seren debatidas, posto que é o goberno quen conta con capacidade de veto sobre aquelas que, ao seu xuízo, podan ter efectos negativos sobre os orzamentos en curso ou previstos. Na listaxe de iniciativas vetadas figuran 2 proposicións de lei para paralizar a aplicación da Lomce, outras que procuran a supresión das taxas xudiciais ou unha que solicita mellorar as condicións laborais dos traballadores das subcontratas. A Mesa tamén vetou leis chegadas de parlamentos autonómicos, como a que compendsaba vítimas do amianto, aprobada na Cámara vasca.
PRAZA_16439
ENTREVISTA | A portavoz do BNG para asuntos comunitarios toma posesión este mércores do escano do Parlamento Europeo compartido con EH Bildu. O accidente de Angrois, o Brexit ou os investimentos comunitarios en Galicia están entre as súas prioridades.
Ana Miranda (Cuntis, 1971), portavoz do BNG para asuntos comunitarios, toma posesión este mércores do escano do Parlamento Europeo que, integrado no grupo Os Verdes-Alianza Libre Europea (ALE), obtivo nas eleccións europeas de 2014 a coalición Os Pobos Deciden e que ata o de agora ocupou Josu Juaristi, de EH Bildu, en aplicación daquel acordo electoral. Miranda xa fora eurodeputada entre xaneiro de 2012 e xullo de 2013, tamén grazas a unha coalición do BNG con outras forzas que implicou igualmente o reparto do tempo de ocupación efectiva do escano. E previamente formara parte do equipo de Camilo Nogueira cando este obtivo por primeira vez un escano para o BNG na Eurocámara, entre 1999 e 2004. O papel de Miranda como portavoz do BNG en Bruxelas vén sendo clave para que as institucións europeas se interesasen polo accidente de Angrois. "Xa na pasada lexislatura fomos máis activos que outros eurodeputados que estiveron cinco anos" Que pode facer en pouco máis dun ano que queda de lexislatura? Continuar o traballo que se estaba facendo. O escano é unha continuación da coalición desta lexislatura e o feito de que o BNG poida presentar preguntas e iniciativas directamente. Que poida traer o tema do Alvia, o xeito, a precariedade, os preferentistas, os emigrantes retornados ou a liña de alta tensión de Arbo. Eu fago a pregunta ao revés. Que fixeron os demais en tres anos e medio? Eles o saberán, pero nós si sabemos o que podemos facer nun ano e pico porque xa na pasada lexislatura fomos bastante máis activos que outros eurodeputados que estiveron cinco anos. Creo que non é unha consideración de tempo senón da intensidade e dos temas que se traian. Eu teño unha prioridade social, dos sectores produtivos e da liberdade de expresión, porque esta última temática por desgraza está á orde do día. "As iniciativas políticas sobre Angrois non achegan ruído senón beneficio para poder esclarecer se se cumpriu a normativa ou non" Di que o accidente de Angrois é unha das súas prioridades, pero, os movementos políticos ao respecto non poden supor un ruído prexudicial para a causa xudicial? Creo que ao contrario. Que exista unha comisión de investigación política no Congreso dos Deputados é máis que necesario. Tiña que estar feita hai moito tempo. Eu o que estou facendo aquí é un seguimento técnico-político do asunto. Estou en contacto directo cos máximos responsables de seguridade ferroviaria da Comisión Europea e da Axencia Ferroviaria Europea, cos responsables directos a nivel Parlamento e Comisión, seguindo o procedemento de infracción que pediu o BNG en xullo de 2017. Máis que ruído é beneficio para poder esclarecer se se cumpriu a normativa ou non. Creo que é sumatorio e sinceramente creo que a única esperanza de que se faga algo vai estar no que saia de aquí. Porque ademais xa se viu, que o que marca un antes e un despois é o informe da Axencia Ferroviaria Europea en 2016 [que dixo que España non investigara ben o sinistro e que non avaliara como debía o risco existente na curva] que marca unha tendencia de cambio en todo, incluída a investigación xudicial. "O Parlamento Europeo ten a decisión do orzamento final que haxa para o pacto do Brexit" Na anterior lexislatura a pesca foi outra das súas prioridades e nesta paira sobre o sector galego a ameaza do Brexit. Que pode facer o Parlamento Europeo ao respecto? O Parlamento Europeo primeiro tense que preocupar do impacto que vai ter o Brexit en todos os territorios, non só do que ten que achegar financeiramente. O que imos trasladar é o impacto que pode ter no noso país, e a pesca é quizais o sector que pode estar máis afectado pola saída do Reino Unido. Pero tamén o impacto na libre circulación de persoas, nos galegos que viven no Reino Unido e que poden verse afectados tanto no sistema sanitario como no propio permiso de residencia. Temos moita xente alá pola que hai que preocuparse. Temos previsto facer unha xornada en Londrés para explicar aos galegos as consecuencias do Brexit en materia de libre circulación de persoas. Preocúpanos moito. A pregunta é, que nivel de competencias ten o Parlamento Europeo para impor os seus criterios nas negociacións da Comisión ou o Consello? O Parlamento Europeo ten a decisión do orzamento final que haxa nese pacto do Brexit. Pero está claro que o maior nivel de competencia segue a estar en mans dos estados neste caso. "Galicia está observada por Bruxelas, non é normal que o saneamento das rías non estea completado tantos anos despois habendo fondos europeos" Se a orzamentaria é a principal competencia do Parlamento Europeo, que nivel de fondos comunitarios cre que poderá manter Galicia nos próximos orzamentos para o período 2021-2027? O impacto do Brexit vai ser tan cuantioso que vai afectar á política de cohesión europea. Xa o están anunciando tanto os comisarios como algúns estados. O que pasa é que vai depender moito do lobby que deberían facer algúns gobernos. Nós estabamos nunha situación de transición. Os niveis de renda en Galicia en canto á cuantificación de Eurostat son maiores, pero en canto a benestar social e calidade de vida e laboral é peor. Estamos nunha situación paradoxal porque aínda que nas estatísticas aparezamos nunha situación mellor que outros territorios, porque entraron na UE territorios máis pobres, Galicia está cunha calidade de vida baixísima. E con procesos inacabados en infraestruturas, co saneamento das rías como exemplo clásico. Neste momento, ou se negocia incluíndo outros criterios, como a emigración xuvenil ou a demografía, ou estamos nunha situación moi complicada para Galicia, que nunca vai ter os fondos que tivo e que co impacto do Brexit vai estar moito máis afectada. Hai que negociar finamente para que os fondos que queden sexan realmente ben distribuídos. Inda por riba Galicia está observada por non execución dalgúns fondos como pode ser o Feader (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural). Non é normal que habendo fondos europeos para o saneamento non estea completado tantos anos despois. En que idioma vai falar na Eurocámara? Vou falar na nosa lingua, claro, coas súas adaptacións necesarias para que a interpretación asuma que é galego-portugués, mais tamén vou falar en inglés, francés, alemán, e español por suposto. Nas outras linguas cando corresponda. Se políticamente considero máis interesante nalgún momento falar co comisario Barnier [Michel, responsable da negociación do Brexit] en francés sobre o Brexit, fareino. Dependerá das circunstancias. Pero a maior parte das intervencións van ser na nosa lingua. "Se en 2019 o BNG quere que continúe, eu teño total disposición" Que vai facer Ana Miranda nas eleccións europeas de maio de 2019? O que queira o BNG. Se o BNG quere que quede, que continúe, eu teño total disposición.
NOS_56014
BNG denuncia en Bruxelas o Estado español.
A portavoz do Bloque en Bruxelas, Ana Miranda, denunciou esta terza feira (19 de xullo) perante a Secretaría Xeral da Comisión europea o Estado español. Como xa anunciara a pasada semana, a organización frontista adoptou esta decisión após coñecerse as conclusións do informe elaborado pola Axencia de seguridade ferroviaria europea nas que se sinala a falta de independencia da CIAF durante a investigación do accidente de Angrois. No concreto, a denuncia reclama que a Comisión investigue a actuación do executivo español a respeito dos artigos 19.4, 21.1, 21.2 e 22.3 da Directiva 20004/49 do Parlamento e do Consello europeos sobre seguridade ferroviaria. Así, instan a investigar o grao de cumprimento das obrigas comunitarias no período 2007-2014. Mentres Miranda formalizaba a denuncia do BNG, o Congreso español votaba como presidenta da Cámara a Ana Pastor, ex-ministra de Fomento. Unha decisión criticada duramente pola asociación de vítimas do Alvia que o consideran unha "ofensa" contra elas. Neste senso, a portavoz do Bloque en Bruxelas asegurou que "mentres a ministra é ascendida" a organización nacionalista "non imos tirar a toalla nin imos quedar parados", subliñou. Solicitou a convocatoria da Deputación Permanente no Parlamento de Galiza co obxectivo de que sexa convocado un pleno extraordinario Para alén da denuncia, a organización frontista tamén solicitou a convocatoria da Deputación Permanente no Parlamento de Galiza co obxectivo de que sexa convocado un pleno extraordinario arredor do accidente de Angrois. O informe da UE pon de manifesto que a investigación do CIAF estaba viciada, que nin foi independente, nin se escoitou ás vítimas, "aberta esa porta, o BNG pide en Bruxelas que un procedemento de infracción contra o Estado español, que facilite tamén a creación dunha comisión de investigación independente e real que deite luz e xustiza e, sobre todo, que evite que se volvan cometer os mesmos erros e se adopten todas as medidas necesarias para que un accidente así non volva suceder nunca máis", asegurou Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. Desde o Bloque tildan o nomeamento de Ana Pastor como presidenta do Congreso de "falta de respecto ás vítimas". "Pensamos que por respecto á memoria das vítimas, por respecto á a verdade e á democracia, a responsable dunha gran mentira de Estado non debería ser premiada, debería ser cesada", salientou Pontón.
NOS_5423
A Fiscalía cita a declarar como investigado por presunto delito de prevaricación ambiental o director xeral de Minas Ángel Bermardo Tahoces. Será nos xulgados de Noia o vindeiro 2 de maio e a causa da reapertura da mina de San Fins, en Lousame.
O procedemento parte da Fiscalía de Medio Ambiente. A acusación particular é da asociación ecoloxista Verdegaia. No proceso de reapertura da mina houbo numerosas irregularidades, denunciadas por plataformas, organizacións ecoloxistas como Adega e veciñanza. Non houbo estudo de impacto, vertéronse augas residuais sen el, e ninguén respondeu polo estado das balsas mineiras, que conteñen metais pesados con potenciais efectos canceríxenos. Malia esa situación, a Xunta e en concreto a Dirección Xeral de Enerxía e Minas resolveu autorizar a reapertura da explotación. Segundo recorda Europa Press, a ONU chegou a admitir a trámite unha queixa pola obstaculización do Goberno galego no acceso á información en proxectos mineiros. A mina de San Fins funcionara en distintos períodos do século XX. Ese foi o argumento empregado por Tahoces para permitir a reapertura sen esixir un novo estudo de impacto ambiental.
NOS_22689
O redeseño da web coincide co décimo aniversario da posta en andamento de sermosgaliza.gal, medio do que naceu Nós Diario e parte da aposta por reforzar o soporte dixital a través dunha páxina máis intuitiva e áxil para facilitar a lectura e interacción cos diferentes contidos xornalísticos.
O cambio é unha constante no xornalismo, un oficio que no pasado século tivo que facer fronte a tres grandes desafíos: o xurdimento da radio, o da televisión e, xa na década de 1990, a Internet. O xornalismo de hoxe nada ten a ver co que se practicaba a comezos do século XXI... Nin tan sequera a respecto de hai dez anos, en 2012, cando se estreou o dixital sermosgaliza.gal —inicialmente sermosgaliza.com—. O dixital sermosgaliza.com viu a luz o 26 de abril de 2012. É por iso que Nós Diario quere apostar por un dixital máis forte, con información actualizada os 365 días do ano para complementar a edición en papel, dispoñíbel nos quiosques de todo o país de terza feira a sábado —cando sae acompañado do semanario Sermos Galiza—. A nova edición dixital de Nós Diario estará dispoñíbel a partir das 12 horas da vindeira terza feira, 26 de abril, coincidindo coa posta en funcionamento na mesma data de 2012 de sermosgaliza.gal, medio do que naceu o Nós. O lanzamento prodúcese, aliás, no día en que fai 176 anos o fusilamento dos mártires de Carral tras a Revolución de Abril. María Obelleiro. "O redeseño parte da aposta de Nós Diario por reforzar o soporte dixital, con máis información apegada á actualidade nunha páxina web máis intuitiva e áxil", sinala a directora deste xornal, María Obelleiro. O novo e ambicioso deseño, afirma, "responde a unha ollada galega estruturada nun dixital visualmente claro e ordenado que conxugará a última hora coa profundidade". "Apostamos por reforzar o soporte dixital, con máis información apegada á actualidade nunha páxina web máis intuitiva e áxil", sinala María Obelleiro, directora de 'Nós Diario' Na mesma liña apunta o presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza SA, Xoán Costa: "Todas as mudanzas están enfocadas a mellorar e facilitar a compatibilidade das novas tecnoloxías co xornalismo e facilitar a navegación a través da edición dixital". Xoán Costa. Aliás, Costa fai un balance positivo dos dez anos que leva na rede —e nas rúas— primeiro Sermos Galiza e agora Nós Diario: "Alcanzamos os principais obxectivos fundacionais deste xornal, como que o galego volvese estar nos quiosques e, en definitiva, en todos os lugares nos que xa estaban outros medios. Tamén logramos ser referentes nas redes sociais e mesmo logramos sacar un xornal diario en papel en 2020, algo que inicialmente non estaba previsto". A nivel técnico, a nova edición dixital do Nós ofrece un deseño máis limpo e intuitivo e inclúe, aliás, novas seccións como blogues de opinión ou unha axenda de eventos. "A capa é moito máis manexábel e intuitiva, e permite visualizar máis pezas informativas que a actual cando se fai scroll nun dispositivo móbil", apunta David Comesaña, un dos desenvolvedores da web, creada co software galego Openhost. O novo deseño, aliás, obtivo unha elevada puntuación nas Core Web Vitals de Google, un distintivo de calidade que aplica a compañía estadounidense para garantir o bo funcionamento estrutural dos sitios web. "Co novo deseño reducirase considerabelmente o tempo de carga da web", incide. Unha aposta polo xornalismo independente Durante todo este tempo, primeiro Sermos e posteriormente Nós caracterizáronse por defender un xornalismo de calidade, independente e ao servizo dos intereses do pobo galego, algo que non tería sido posíbel de non ser polos centos de persoas subscritoras que confiaron, e seguen a confiar, neste proxecto. Cómpre lembrar, neste senso, que Nós Diario foi a única cabeceira de tiraxe diaria que ficou excluída pola Xunta da Galiza do reparto de subvencións aos medios de comunicación impresos de 2021, unha decisión que agora se dirime nos tribunais. A Xunta veta 'Nós Diario' nas axudas á prensa Lembra que podes subscribirte, quer á edición dixital quer ao xornal impreso, a través desta ligazón para apoiar un xornalismo independente na Galiza e, sobre todo, ao servizo da cidadanía.
PRAZA_17344
Ou eliximos un camiño propio con decisión en Galicia ou dificilmente ocuparemos o lugar que nos corresponde na construción do Estado de Nacións, que o actual Presidente prometeu.
Menos mal que o Secretario Xeral do PSOE Galego, digo PSOE e non PSdG por que a parte galeguista xa fai moito que a desbotaron, puxo toda a capacidade de cadros ó servizo do Presidente Sánchez. Menos mal... porque case non da formado goberno se non fose polas amplas e importantes incorporacións procedentes de Galicia, que como todos sabemos son ningunha. Galicia volve a quedar mal parada na conformación da política estatal, e por suposto, non cola, a incorporación de Nadia Calviño como cota galega, seguro que non pasou moito pola estrada de Chantada ou a de Foz, para saber como esta o noso País. O peso do PSOE de Galicia non pasa de promocións en redes sociais dunha batería de fotos do "líder" galego con Pedro Sánchez e toda unha sorte de declaracións, desafortunadas e pouco elegantes, do Sr. Caballero dende a secretaria xeral, que a pouco máis ven a dicir que todo ocorre grazas a el, será unha eiva de familia? A realidade é ben distinta os gobernos pivotan, por necesidade política, nun eixo de potenciais votantes por iso o peso de determinados territorios, e tamén nun eixo de estabilidade dependendo do partido que toque o poder executivo, e hoxe Galicia non é estable no bando socialista. Pedro Sánchez demostrou tesón e traballo, tamén capacidade estratéxica, esa é precisamente a razón pola que o PSdG non conta, Sánchez sabe que en Galicia están en claro retroceso, a executiva nacional galega non ten peso nas provincias: conflito en Lugo, conflito en Ferrol, conflito en Vigo, na cidade da Coruña ... de pouco ou nada vale a cantidade inxente de cartos que se están adicando á promoción da figura de Caballero sobriño, xa que soamente é seguido por parte das bases, que non todas. Se Galicia quere un Status Quo propio en Madrid ou Bruxelas ten que seguir a estela do País Vasco e incluso de Canarias. Buscar capacidade de poñer Galicia no centro do debate e con forza de negociación e presión. Construíndo un Estado de pobos dentro dunha Europa de pobos, iso non o vai defender un político que acredita no 155 e tamén que vai a Estremadura a dicir que o financiamento de Galicia ten que ser o mesmo que o da Rioxa. Moito menos un dirixente que publicamente vende o favor do apoio nas primarias ó seu Secretario Xeral, con moi pouco gusto. Temos que entender que non se pode depender de Génova, da Complutense ou de Ferráz, a mostra é este gabinete, e a mostra vai seguir sendo a falta de peso de Galicia. Ou eliximos un camiño propio con decisión en Galicia ou dificilmente ocuparemos o lugar que nos corresponde na construción do Estado de Nacións, que o actual Presidente prometeu. Publicidade
PRAZA_11954
Os responsables desta campaña repiten, como un mantra, que os servizos públicos son caros e ineficientes, máis non hai constancia algunha nese sentido. No terreo sanitario temos a certeza de que ocorre o contrario.
A finais de novembro de 2010 os máximos responsables de Caixa Galicia e Caixanova asinaron a acta de fusión desas entidades; dese xeito nacía Novacaixa Galicia, que pasaba a ser a quinta caixa de España. O presidente da Xunta valorou o momento como un fito histórico, como un exemplo para Galicia. A mediados do mes de xuño do ano pasado o xornal La Voz de Galicia situaba na súa portada a boa nova da transformación de Novacaixa Galicia en banco. Na foto da portada aparecían os executivos co sorriso pintado nos beizos. Feijóo auguraba un expléndido futuro para o novo banco e Castellano, presidente executivo da nova entidade, afirmaba abordar este novo reto como un servizo a Galicia. Nestes dous momentos non houbo máis que parabéns e palmadas nas costas. Logo xa sabemos o que pasou. A pésima xestión realizada polos dirixentes das Caixas, nas súas diferentes etapas, leváronas a unha situación inviable. Recibiron grandes cantidades de diñeiro público (1200 millóns de euros en 2010 e perto de 2500 en 2011, do FROB) que non abondaron para facer viable o novo banco. Finalmente o Estado tivo que intervir a entidade, tomando o control da mesma en setembro de 2011. Resulta evidente que a xestión dos dirixentes das Caixas foi neglixente e irresponsable; provocaron, coas súas decisións, que Galicia perda as entidades financeiras propias, que desapareza a obra social desenvolvida polas Caixas, e causan un severo perxuicio ás economías particulares que confiaron nestas entidades. Pero abandonaron o barco á deriva (como Francesco Schettino, o capitán do cruceiro Concordia) con indemnizacións multimillonarias. Novagalicia banco plantexa agora o despedimento de 750 traballadores e o peche de 160 oficinas; mentres, o seu presidente tiña unha retribución de 900.000 euros anuais. A incompetencia dos dirixentes bancarios e a avaricia dos especuladores financeiros son as causas principais da crise. Máis, no relato que se fai dos feitos en certos medios de comunicación aparecen, ata donde é posible, exonerados de culpa. As novas referidas ao sector financeiro fan sempre contrapeso con asuntos relacionados co sector público, que aparece sinalado co dedo acusador. Hai unha estratexia informativa, que fai coincidir estas informacións cunha intencionalidade ben definida: apuntar cara a función pública como responsable dos males do país. No mes de xuño, La Voz anunciaba en portada o feliz alumbramento de Novagalicia banco; en páxinas interiores daba conta de que a Xunta iba obrigar aos mestres a dar catro horas máis de clase á semana, controlar o gasto de teléfono dos empregados públicos e reforzar o control das baixas laborais. Máis recente, no primeiro sábado de febreiro, a portada do mesmo xornal anunciou que a Xunta vai rebaixar un 33 por cento a xornada e o salario dos funcionarios que, tamén, deixarán de cobrar os 21 primeiros días que estean de baixa. O obxectivo da mensaxe é claro: os funcionarios poden facer o seu traballo en menos tempo e cun salario menor e, ademáis, utilizan as baixas de forma fraudulenta, polo que non deberán percibir paga cando falten ao traballo por enfermidade. Este plantexamento, demagóxico e falso, actúa como un veleno, inoculado cunha intención ben clara: desprestixiar aos traballadores públicos. Mentres, en páxinas interiores o xornal daba conta de que os responsables das entidades financeiras, seguindo o dictado do goberno, van rebaixar o seu salario. Nun xesto solidario e xeneroso, Castellano pasará a cobrar 300.000 euros e Rodrigo Rato só 600.000 euros ao ano. Hai unha evidente intención, na construcción deste relato, de sinalar ao sector público como culpable, mentres os responsables bancarios seguen a ser tratados con grande respecto e consideración. Esta campaña de intoxicación informativa, desenvolvida en colaboración con algúns medios, ten unha clara intencionalidade: o descrédito do público. A facción ultraliberal que goberna en Galicia tenta buscar novas áreas de negocio para os grupos empresariais e financeiros afíns. Cómpre desprestixiar e deteriorar os servizos públicos para procurar espazos de beneficio privado a costa dos orzamentos. Os responsables desta campaña repiten, como un mantra, que os servizos públicos son caros e ineficientes, máis non hai constancia algunha nese sentido. No terreo sanitario temos a certeza de que ocorre o contrario. Nun artigo publicado por Sanchez Bayle, no que fai unha análise dos hospitais públicos e privados de Madrid conclúe que "a xestión privada dos hospitais non só non diminúe gastos senón que os incrementa notablemente". Pero temos a desgraza de estar gobernados por quen renega do público, denigra e ofende aos funcionarios, e actúa como un "cabalo de Troia", procurando o desgaste e a mala imaxe dos servizos públicos desde o mesmo vértice do poder. Os traballadores públicos non son os responsables da crise e o seu sacrificio non vai repercutir positivamente no benestar da poboación. Pola contra, os países do norte de Europa, que teñen unha grande fortaleza no seu Estado do benestar, son os que teñen unha maior porcentaxe de emprego público. Debemos aprender deles e non dos EEUU, donde Obama non foi quen de facer unha reforma sanitaria que tivese unha mínima semellanza co que temos no noso país. Se deixamos destruir os actuais servizos públicos, que teñen un papel relevante na cohesión e xustiza social, será moi difícil recuperalos no futuro.
NOS_14532
"O 1 de outubro non pode ser un freo, debe ser un motor para avanzar", dixo Dolors Sabater no atril do Parlamento de Catalunya. A CUP sacudiu o debate de política xeral coa proposta de realizar un referendo nesta lexislatura. A presidenta do grupo CUP-NCG no Parlament catalán, Dolors Sabater, opina nesta entrevista que "un novo ataque material e concreto debería colocarse no horizonte da axenda política. Se non, isto é sine die". E critica a ERC e JxCat: "Foron arrastrados pola autonomía", salienta.
Por que outro referendo unilateral se o 1-O xa se realizou? O noso texto fala dun referendo, non de se está acordado ou é unilateral. É urxente. Non cremos que a mesa de negociación permita un referendo acordado, pero, se é posíbel, debería ser rápido. E como non o cremos, algo debe ocorrer dentro da materialización da República catalá. Agora temos o 1-O e o si, pero non somos independentes. O referendo é unha proposta cun amplo apoio na sociedade catalá. Non é unha proposta da CUP. Non cremos na mesa de diálogo. Cremos nun diálogo real. Nos procesos de resolución de conflitos baseados no diálogo en todo o mundo, moitas veces con mediación internacional, por suposto, cremos. Pero o que se conseguiu co Estado non é unha mesa de negociación para a resolución dun conflito político. É o P-3 de calquera proceso de negociación para a resolución dun conflito político entre dúas partes o que debe cesar a represión. Non debíamos subordinar o apoio ao presidente Aragonès na mesa de diálogo, pero isto non significa que aparquemos o horizonte do referendo nesta lexislatura. Non rompemos o acordo con ERC. Pero as condicións obxectivas para facelo non son iguais nin peores que as do 1-O? Hai unha aprendizaxe moi importante sobre o que fallou. No acordo de investidura hai un novo ataque democrático dentro desta lexislatura. Non é tan raro que o propuxemos. No acordo non se acaba de concretar. Dixo que esta cuestión debería "priorizar o camiño do referendo". E segundo o que acordou a maioría do movemento independentista. O que facemos é presionar para que se produza este embate democrático. As condicións teñen que darse, debemos esforzarnos. O que fixeron os cataláns o 1 de outubro é brutal e serviu moito. Cando Junts di que temos o mandato do 1-O, dicimos: que ofrecemos a este mandato? Onde está a proposta? Non podemos dicir que estea estacionado [o referendo] até que o Estado decida que nos dá permiso. Para que as condicións existan, debemos ter obxectivos e traballar para conseguilos. Quere dicir que a mobilización levará a máis mobilizacións que xeren as condicións? Exactamente. Debe activarse para xerar estas condicións. Non nos caerán do ceo. Temos dous obxectivos. Un é a liberación nacional pero o outro é o desprazamento cara á esquerda que debería facer posíbel que os dereitos sociais sexan reais (o dereito á vivenda, a redistribución da riqueza, o dereito á enerxía ...) Todo isto, o marco constitucional do autonomismo córtao continuamente. O modelo de país que defendemos, que ten que virar cara á esquerda e debe responder ás necesidades do cambio económico esencial en termos de transición ecolóxica, a emerxencia do cambio climático e o empeoramento da crise económica e social a raíz da Covid, é unha emerxencia, hai que acelerala. E isto no marco autonómico non é posíbel. Polo tanto, hai moita présa. As dúas emerxencias fan que a ruptura co marco autonómico teña que ser canto antes. Temos que ser nesta lexislatura. Ademais, está a oportunidade de Escocia. Fala de sincronizar axendas. Pero a situación en Escocia é moi diferente á de Catalunya. Xa realizaron un referendo, viviron o Brexit e a posición do Reino Unido nada ten que ver coa de España. A idea é aproveitar a chamada de Escocia para forzar a nosa chamada, para pór na axenda de Europa o dereito de autodeterminación dos pobos europeos sen Estado. A Europa dos pobos sen Estado está viva, combativa. Non estamos sos os países cataláns. Pode ser que máis pobos sen Estado animen a aproveitar esta data para reclamar o dereito de autodeterminación, forzar un referendo ou activar a súa autoorganización. Evidentemente non estamos na mesma situación. A cultura democrática británica non é a cultura democrática de España. Aínda agora que temos o "Goberno máis progresista da historia" que seguramente nunca teremos mantense a persecución, o nivel de represión e a negativa a aceptar o dereito á autodeterminación. Está claro que se queremos que o Estado se mova ou que Europa se mova, temos que atacar de novo. O 1-O foi monumental e gañamos o referendo, pero como foi atravesado pola violencia policial, España non o recoñeceu e Europa aínda menos. Se quedamos co orgullo do 1-O pero non o materializamos, de que nos serve? De que serve todo o que fixemos o 1-O? Non sabemos quen gobernará España a partir de 2023. Se houbese un referendo unilateral, quizais volvería haber violencia e máis dificultades para organizalo. O 1-O non tivo en conta que a demofobia do Estado actuaría con violencia desatada. Polo tanto, non estaban previstos os escenarios de represión e contrapropostas, desde accións non violentas e de resistencia, para defender o territorio e o referendo nun marco de represión extrema por parte do Estado. O que sempre dixemos é que debemos activar este espazo de independencia para elaborar unha estratexia conxunta e fortalecela, para ter claros os pasos a seguir para poder soster o próximo ataque. Vemos que Junts e ERC non poñen un choque urxente na axenda. Hai a sensación de deixar que o faga o Estado, de deixar pasar o tempo, e iso non o podemos permitir. Cando a unidade popular é forte nas institucións, con toda a súa diversidade, sempre fixo propostas que moveron a axenda do país. O outro día Vicent Partal recoñeceu no seu artigo que non chegariamos ao 1-O e ao 3-O se non fose porque a CUP puxo unha data no calendario. Vemos que agora é hora de desempeñar este papel de motor, de ser intelixentes, de non deixar que a independencia maioritaria sexa arrastrada pola autonomía e estea baixo o ritmo do Estado. Pere Aragonés reprochoulle que non tente negociar con ERC e Junts a presentación da resolución. Sorprendeulle. É estraño que lle sorprenda pois no acordo de investidura xa o expuxemos. É certo que non especificamos se o novo ataque democrático debería ser o referendo, pero o acordo de Junts con ERC é que debería haber un referendo pactado, polo menos nesta lexislatura. Poñamos présa e presión. Non é tan estraño que, vendo o panorama que temos, digamos que o tempo non se pode deixar pasar. Tampouco se compartiron as propostas de resolución presentadas por ERC e Junts. Fixémolo como todos os grupos, que presentaron por si mesas propostas de resolución. Esiximos que haxa espazos que non están cubertos pola axenda parlamentaria e gobernamental. É esencial que se active o espazo de seis, con partidos e a sociedade civil, e este acordo nacional de autodeterminación e amnistía. A proposta que fixemos e que non prosperou é unha alerta. Debemos ter algo entre o 1-O e a materialización da independencia. ERC di: "Temos que ser máis". Se a mensaxe que vendemos é que non poderemos autodeterminarnos, como animas a xente a autodeterminarse? O 30 de setembro, coa masa de xente que foi defender as escolas, ou o 3-O, cun desfile masivo do país e manifestacións masivas que obtiveron o apoio da soberanía, a xente activouse porque había algo concreto. Queriamos votar, votamos pero fomos reprimidos e golpeados, o noso referendo foi invalidado por ollos legais porque, atravesado pola brutalidade, ofreceu dúbidas ás autoridades internacionais. A suma para ser máis actívase se hai un obxectivo a curto prazo. O referendo será unha condición sine qua non para que se aprobe o orzamento do goberno? Non estamos nesta situación. Sempre dixemos que miramos o noso orzamento a nivel mundial. Aínda non sentamos a velo e non sabemos que facer. Pero, para poder sentar a negociar, debemos estar seguros de que se cumprirán os acordos que tomamos para a investidura. Nós facemos a nosa parte e eles deben facer a súa parte. E os xestos que fan espertan moita desconfianza en nós. Defendemos un modelo de país economicamente sostíbel, comprometido coa transformación industrial en clave ecosocial; que as enerxías renovábeis, imprescindíbeis, non danen o territorio agrícola nin sirvan para dar beneficios ás catro macroempresas sen volver á economía local. E o goberno fai todo o contrario. Defenden os Xogos Olímpicos cando o monocultivo turístico dos Pirineos é un lastre que non se pode repetir, a expansión do aeroporto, macro-proxectos como o circuíto de Montmeló ou Barcelona World. O modelo de recuperación económica é completamente diferente ao que escribiron no acordo. Veremos o orzamento tendo en conta o acordo de investidura. Non se formulou o feito de que o referendo poida condicionar o orzamento. É unha pregunta aberta? De momento todo está aberto. ERC di: "Temos que ser máis". Se a mensaxe que vendemos é que non poderemos autodeterminarnos, como animas a xente a autodeterminarse? O 30 de setembro, coa masa de xente que foi defender as escolas, ou o 3-O, cun desfile masivo do país e manifestacións masivas que obtiveron o apoio da soberanía, a xente activouse porque había algo concreto. Queriamos votar, votamos pero fomos reprimidos e golpeados, o noso referendo foi invalidado por ollos legais porque, atravesado pola brutalidade, ofreceu dúbidas ás autoridades internacionais. A suma para ser máis actívase se hai un obxectivo a curto prazo. O referendo será unha condición sine qua non para que se aprobe o orzamento do goberno? Non estamos nesta situación. Sempre dixemos que miramos o noso orzamento a nivel mundial. Aínda non sentamos a velo e non sabemos que facer. Pero, para poder sentar a negociar, debemos estar seguros de que se cumprirán os acordos que tomamos para a investidura. Nós facemos a nosa parte e eles deben facer a súa parte. E os xestos que fan espertan moita desconfianza en nós. Defendemos un modelo de país economicamente sostíbel, comprometido coa transformación industrial en clave ecosocial; que as enerxías renovábeis, imprescindíbeis, non danen o territorio agrícola nin sirvan para dar beneficios ás catro macroempresas sen volver á economía local. E o goberno fai todo o contrario. Defenden os Xogos Olímpicos cando o monocultivo turístico dos Pirineos é un lastre que non se pode repetir, a expansión do aeroporto, macro-proxectos como o circuíto de Montmeló ou Barcelona World. O modelo de recuperación económica é completamente diferente ao que escribiron no acordo. Veremos o orzamento tendo en conta o acordo de investidura. Non se formulou o feito de que o referendo poida condicionar o orzamento.
NOS_56505
Máis de 70 escritores, músicos, artistas e académicos asinan unha carta aberta na que piden que se respecte a toponimia bretoa.
'Non á francesización dos nomes de lugares e rúas na Bretaña". O título da carta aberta asinada por un total de 76 representantes do mundo da cultura bretoa non deixa lugar a dúbida: é un chamado ao respecto da toponimia propia da Bretaña, rexeitada nas oficinas do servizo de correos francés. Unha actitude, afirman as persoas asinantes, que é "a destrución dunha cultura" a través da deturpación dos seus topónimos. O servizo francés de correos, denuncian, presiona para a simplificación dos nomes de rúas e a francesización dos topónimos. Fronte a iso, demandan, "debemos defender o noso patrimonio cultural, que fai parte do patrimonio de Bretaña, mais tamén do patrimonio de Francia e Europa e da humanidade". A semana pasada organizouse un encontro na praia de Traez-Beleg, en Telgruc, onde ducias de persoas reclamaron respecto para a toponimia. Mesmo o Consello Rexional de Bretaña manifestou que "non pode aceptar que o servizo público de La Poste (o 'Correos francés') estea actuando en contra da diversidade lingüística do noso territorio e da protección das linguas". O Correos galo invoca a necesidade de simplificar a toponimia bretoa e mesmo "eliminar" letras como a c'h por supor, indican, problemas para os lectores electrónicos.
NOS_36817
Amplía o capital social vía Xunta Extraordinaria.
A delicada situación económica do único conxunto galego na Segunda División de fútbol, un Club Deportivo Lugo que o paso mes de decembro anunciaba unhas perdas de 2,52 millones de euros para un orzamento total de 7,6 millóns, levou á dirección da entidade albivermella a convocar unha Xunta Xeral Extraordinaria de accionistas que se desenvolverá no salón de actos do Pazo de Feiras da Cidade da Muralla os próximos días 12 e 13 de abril, en ambas as ocasións a partir das 20 horas. O primeiro e fundamental punto da orde do día é a "aprobación do aumento do capital social, por compensación dos dereitos de crédito que ostenta Frisaques SLU fronte á sociedade e que constan no informe do Consello de Administración mediante a emisión de 46.000 novas accións, de 10 euros de valor nominativo cada unha e, en conxunto, de 460.000 euros. Isto significa que Frisaques, entidade propiedade do actual presidente do Club Deportivo Lugo, Tino Saqués, aumentará o seu control xa maioritario sobre a entidade, pasando de dispor nas súas mans de 75% das accións a un 77,58%. Deste modo, esta ampliación de capital, que chega un ano despois de que o equipo recibise un préstamo de máis dun millón de euros por parte de Frisaqués -ao que se uníu outro con Abanca de 1,5 millóns- dada o complicado estado das súas contas supón unha forma de que Tino Saqués recupere -aínda que en forma de accións- parte dos cartos prestados ao club. Conflito televisivo na Primeira RFEF Deixando o Club Deportivo Lugo e a Segunda División para situar o foco na terceira, unha Primeira RFEF na que militan Deportivo, Rácing de Ferrol e Celta B, os conflitos relacionados cos dereitos televisivos ameazan con deixar sen fútbol vía pequena pantalla aos seguidores e seguidoras desa terna de equipos, como poden dar fe as seareiras dos Diaños Verdes, que xa non puideron ver o choque de antonte no que superaron pola mínima (1-0) o Raio Maxadahonda. A causa está na disputa que sostén a empresa Footters -que até o de agora retransmitía os encontros- con Fuchs Sports, propietaria dos dereitos da categoría e que xa anuncio que os partidos poderán verse de balde pola súa web.
NOS_41107
Entrevistámolo para o A Fondo que viu a luz co Sermos Galiza número 130. Disponíbel aquí.
Coa crise, medran os fogares que non son quen de procurar calor suficiente para afrontar o inverno, unha situación que chega a producir mesmo máis mortes que os accidentes de tráfico. A conivencia entre poder político e empresas enerxéticas evita avanzar cara a outros modelos máis descentralizados. -Vai a pobreza enerxética sempre unida a situacións de pobreza e exclusión social? -Non todas as persoas que están en situación de pobreza monetaria sofren pobreza enerxética, e viceversa. A pobreza enerxética ten un carácter máis temporal e está relacionado con aspectos como a perda do posto de traballo ou que un inverno sexa máis frío. Vexo intereses no caso do goberno e das eléctricas ao tratar de non separar a pobreza enerxética da pobreza en xeral. Deste xeito, eliminan un problema. -Ademais, a pobreza enerxética non só ten que ver coas dificultades das e dos consumidores para pagar, senón tamén co incremento de prezos por parte da oferta.... -Cómpre reparar en cuestións como o sistema de determinación de prezos da enerxía, que é regulado polo Estado, a polémica ao redor dos beneficios que obteñen as compañía eléctricas, o déficit de tarifa, ou o modo en que se calcula o prezo da electricidade, pois é a tecnoloxía máis cara a que determina o prezo das restantes tecnoloxías. Así, estase a pagar a prezo de ciclo combinado de gas natural o kilowatio da hidroeléctrica e da nuclear. Existe a sospeita de que compañías eléctricas, sobre todo as grandes, como Iberdrola, poden xogar coas súas tecnoloxías para conseguir un determinado prezo nalgún momento. -Os datos apuntan a que a situación empeorou de maneira preocupante nos últimos anos no caso do Estado español. Por qué? "Existe pouco investimento en eficiencia enerxética nas vivendas xa construídas e non é ambicioso nin no número de vivendas nin na profundidade da rehabilitación." -Sobre todo empeorou o indicador que fai referencia á porcentaxe de fogares que gasta máis dun 10 por cento dos seus ingresos en enerxía. Segundo as estimacións da Asociación de Ciencias Ambientais, baseada na enquisa de presupostos familiares, os fogares medios en España gañaba 24.000 euros en 2008 e 22.100 en 2012. Ademais, téñenlle que facer fronte a gastos crecentes por mor da inflación. En paralelo, os gastos promedio de enerxía por fogar pasaron de 900 euros a 1.200 entre 2008 e 2012. E é moi probábel que haxa fogares que estean gastando menos en enerxía para aforrar dada a situación económica que viven. Hai un incremento do 30 por cento no gasto en enerxía e unha redución do 10% nos ingresos nominais. -Por que consideras insuficientes as medidas que se adoptaron para mellorar a baixa calidade do parque edificatorio e a súa eficiencia enerxética? -Segundo a fundación La Casa que Ahorra, o último código técnico da edificación é moi pouco ambicioso. Existe tecnoloxía para que as casas que se están construíndo, probabelmente por un prezo non moi superior, teñan un consumo de enerxía baixo. En 2018-2020, de feito, todos os edificios novos da UE, por directiva, teñen que ser de consumo case nulo. Por outra banda, a vivenda construída é unha parte moi pequena do stock de vivendas agora mesmo. O problema gordo está naquelas que foron construídas hai décadas. Existe pouco investimento en eficiencia enerxética nelas e non é ambicioso nin no número de vivendas nin na profundidade da rehabilitación. "Que o pasar frío no fogar ten influencia nas taxas de mortaldade está bastante demostrado. Nun mes promedio de inverno, a mortalidade é un 20 por cento maior ca nun mes promedio do verán" -Cal é o efecto da pobreza enerxética no incremento da mortaldade no inverno? -Que o pasar frío no fogar ten influencia nas taxas de mortaldade está bastante demostrado. Nun mes promedio de inverno, a mortalidade é un 20 por cento maior ca nun mes promedio do verán, e aféctalle sobre todo a persoas maiores de 65 anos, con enfermidades cardiovasculares e respiratorias. Destas mortes, segundo un estudo da Organización Mundial da Saúde publicado hai uns anos, un 30 por cento poden estar relacionadas coa pobreza enerxética. Miles de mortes en España, probabelmente por enriba das que producen os accidentes de tráfico, débense á pobreza enerxética. -Cales serían solucións de acceso democrático á enerxía para familias, aldeas, comunidades de veciños, explotacións agrarias, etc.? -Un dos factores que explica a pobreza enerxética é a desigualdade nas relacións entre quen subministra e quen consome, pois o poder está claramente do lado do primeiro. Hai movementos que están apuntando ao corazón desa desigualdade, como é o caso de cooperativas como Som Energia, en Cataluña. Na contra deste modelo, emprégase o argumento de que un sistema descentralizado sería máis complexo de xestionar, porque non tes un número limitado de centrais que poidas apagar ou acender segundo che conveña senón que tes que xestionar millóns de produtores. Mais coido que eses argumentos non son os que están atrasando que haxa un sistema de produción máis democrático e descentralizado. "As grandes compañías evitan que se poida explorar abertamente se é posíbel chegar a un sistema máis democrático e descentralizado" -Que é o que o está atrasando entón? -Existen empresas con intereses creados moi grandes e, ademais, hai un exceso de capacidade de produción de electricidade en España. Fixéronse, antes da crise, investimento en centrais térmicas de ciclo combinado e gas natural, que están entrando en funcionamento moi pouco. Iso xera resistencia por parte das grandes compañías que evitan que se poida explorar abertamente se é posíbel chegar a un sistema máis democrático e descentralizado. -De que forma o evitan? -Que existe unha proximidade das empresas enerxéticas ao poder político é innegábel. E que iso é probabelmente unha das fórmulas coas que as empresas enerxéticas defenden os seus intereses, eu creo que é unha sospeita razoábel.
PRAZA_13360
Patricia Veiga-Crespo, unha das autoras do Circo de Bacterias, o blog de microbioloxía de Praza Pública, lembra que ao longo da Historia houbo unha morea de crises económicas causadas por culpa dalgunha bacteria ou fungo e fai un repaso por varias delas: a crise do cogombro, a peste bubónica, a crise da pataca en Irlanda...
Patricia Veiga-Crespo, unha das autoras do Circo de Bacterias, o blog de microbioloxía de Praza Pública, lembra que ao longo da Historia houbo unha morea de crises económicas causadas por culpa dalgunha bacteria ou fungo e fai un repaso por varias delas: a crise do cogombro, a peste bubónica, a crise da pataca en Irlanda... As bacterias do laboratorio levan unha tempada preocupadas. Andan coa mosca detrás da orella por como lles van afectar os recortes en I+D, non saben se terán para chegar a fin de mes, se se lles acabarán os medios de cultivo ou se terán que empezar a pagar un aluguer por usar a campá de cultivo ou a estufa… Incluso andan teimando sobre a Seguridade Social, o custo dos medicamentos e o acceso os antibióticos; se teñen que pagar o dez por cento de cada receita van ir moi xustas, por non falar de que moitas entraron no país dunha maneira un tanto clandestina: en latas de alimentos, nalgún pasaxeiro despistado… polo que están a piques de perder a cobertura sanitaria. O colmo xa foi cando empezaron a matinar no rescate de Bankia… Que se elas non provocaran a crise! Hoxe estaban a falar de facer greves ou incluso de boicotear os experimentos. O peor é que me tomaron a min pola patronal. Eu expliqueilles o da herdanza recibida, expliqueilles que eran tempos difíciles e todos tiñamos que dar a talla, expliqueilles que era necesario facer recortes para poder medrar… Elas contestaron que con nutrintes axeitados medrarían igual ou mellor aínda (deben ser do pau de Hollande máis ca do de Merkel…). O colmo xa foi cando empezaron a matinar no rescate de Bankia… Que se elas non provocaran a crise! Que se o custo das indemnizacións dos directivos!! Que se non era certo aquilo de que a Dereita é mellor xestora!!! Imaxinade a revolución… Bueno, púxenme a pensar que lles ía dicir para intentar calmalas. Estiven tentada de subirlles a temperatura da estufa pero non quería que me chamasen Estado Opresor. Por recente, todos podemos pensar e recordar a crise do cogombro con Alemaña Recordando, recordando, cheguei á conclusión que se ben era certo que esta crise non a causaran elas, ao longo da Historia había unha morea de crises económicas causadas por culpa dalgunha bacteria. Cando lles dixen isto recuncaron un chisco pero pedíronme probas. Ven, ei-las eiquí. Por recente, todos podemos pensar e recordar a crise do cogombro con Alemaña (Guten Morgen, Frau Präsidentin Merkel!). Esta crise foi causada por unha cepa de E. coli, e aínda que o final se demostrou que non estaba nos cogombros, nin era española… no tempo que durou a investigación as perdas para o sector da exportación da froita e da verdura española foi moi elevado, aínda este ano se estaban a nota-los efectos no sector. Poucas cousas conseguen poñer nerviosos os xefes da Coca-cola, excepto os brotes de mohos ou bacterias que de cando en cando aparecen nas súas fabricas de embotellado e fanlles retirar lotes do mercado cas conseguintes perdidas económicas que isto carrexa. Buscade por aí e atoparedes contaminación en plantas de Polonia, Bélxica, etc… Este xigante empresarial tamén está no punto de mira dos Axentes que loitan contra o cambio climático pero esa é fariña de outro costal. Yersinia pestis é o axente causal da peste bubónica, e foi capaz de provocar unha redución da poboación europea nuns 25 millóns de persoas Unha crise importantísima que marcou un antes e un despois e na que se xuntaron tódolos factores: económicos, sociais, guerras e tamén infeccións foi a Crise do século XIV na que se mesturou a perda da produción dos produtos do campo, o abandono do campo polas cidades, uns gobernos desorganizados e metidos en guerras entre Estados.. acabou socavando o sistema feudal do momento e favorecendo o desenrolo dun novo modelo social (nin mellor, nin peor … simplemente diferente). Neste escenario, un papel principal estivo reservado para a bacteria Yersinia pestis. Y. pestis é o axente causal da peste bubónica, e foi capaz de provocar unha redución da poboación europea nuns 25 millóns de persoas. Suponse que a bacteria penetrou en Europa Occidental a través da ruta da Seda procedente de Oriente e debido as malas condicións sanitarias e sociais foi capaz de estenderse por toda Europa. Aínda hoxe de vez en cando é posible atopar algún caso de peste bubónica pero dunha maneira moi residual. Por suposto cando nunha cidade da Idade Media xurdía un foco de peste, esta cidade era posta en cuarentena e os habitantes da mesma sufrían non só a enfermidade senón tamén illamento económico e social. Foi tal a fame provocada que entre mortes e migración Irlanda chegou a perder a cuarta parte da súa poboación… Non era unha bacteria que era un fungo pero a Crise da Pataca Irlandesa foi provocada pola escaseza deste alimento no século XIX por malos cultivos e a aparición da peste no cultivos provocada por Phytophthora infestans. Foi tal a fame provocada que entre mortes e migración Irlanda chegou a perder a cuarta parte da súa poboación… O mundo gañou os Kennedy en Estados Unidos pero Irlanda perdeu unha morea de cartos e xente. Imaxinade a cara que pon o Xefe de Planta dunha empresa de Alimentación cando alguén lle di que acaban de atopar Clostridium nunha das latas, ou un brote de Salmonella. Ben é certo que os sistemas de detección cada día son máis efectivos pero cando o detectan, só poden pensar en eliminalo rápido, rápido porque se sabe, o nivel de ventas e a imaxe de marca caerán en picado. Ao longo da historia podemos atopar un lote de exemplos de como as bacterias condicionan a nosa vida e son capaces de provocar graves efectos sobre a crise. Con estes conseguín acougar as do laboratorio por un tempo… Terei que buscar máis exemplos para cando se den conta do das preferentes.
NOS_18447
O que foi director da Axencia galega de industrias culturais desde xullo de 2009 até a actualidade, vén de anunciar que de novembro en adiante traballará "en favor dos autores". O Consello da Xunta aceptou o seu cesamento voluntario, a pesar de que o mundo da cultura pediu a súa demisión nas rúas após lles prohibiren desde a Xunta do PP a celebración nun teatro público do Día mundial desta disciplina
O xa ex-director da Axencia galega de industrias culturais --Agadic--, Juan Carlos Fernández Fasero, será nomeado en novembro director da SGAE do noroeste do Estado español --Galiza, Asturias e Cantrabria--, após ser aprobado o seu cesamento como responsábel da primeira entidade, cargo que ostentaba desde xullo de 2009. Dixo Fasero que o obxectivo polo que pulará durante o seu mandato será "socializar" a Sgae e mellorar a súa imaxe perante a cidadanía, ao tempo que traballará a reo "en favor dos autores". Na liña, desde o propio organismo aplaudiron a escolla do ourensán, de quen destacan "o seu vínculo natural coa cultura, a experiencia na xestión e a implicación cos dereitos dos autores e a propiedade intelectual". 'Fasero censura a nosa cultura'Porén, a estima que o director da Agadic espertou no mundo da cultura foi outra ben distinta. A súa decisión de prohibir que os colectivos teatrais celebrasen o 26 de marzo o Día mundial desta disciplina nun teatro público de Compostela, o Salón Teatro, levou a actrices, actores e persoas vinculadas á profesión a se manifestaren en contra da consellaría de Cultura --liderada por Jesús Vázquez-- con lemas como 'Fasero censura a nosa cultura' ou 'Censura tras censura, ensaiando a ditadura'. "Estamos nun país cheo de contedores culturais mais a xente do teatro vémonos obrigados a celebrar o noso día na rúa e ás portas dun teatro público que está fechado", dixo daquela o presidente da Asociación de actores e actrices da Galiza, Antonio Durán 'Morris'. As desavinzas entre @s traballador@s da cultura e a Xunta do PP culminaron na destitución de Blanca Cendán, directora do Centro dramático galego, a quen Jesús Vázquez sinalou como responsábel de ter autorizado a celebración no Salón Teatro. Porén, o que se pediu con insistencia nas rúas foi a demisión de Fernández Fasero ao o consider responsábel directo de que Cendán fose apartada do seu cargo. O mundo da cultura agrupouse na Plataforma das artes escénicas, e a aclamada demisión non se produciu nunca. Fasero deixou voluntariamente a Agadic "por motivos persoais" e unhas horas despois anunciou a súa nova responsabilidade á fronte da empresa privada.As axudas máis cuantiosas da Agadic, para a empresa de FaseroO compositor ourensán, empresario de grupos folk, fundador e ex-guitarrista de Mutenrohi, tomou posesión do cargo á fronte da Agadic --dependente da consellaría de Cultura-- só vinte días antes de que esta axencia subvencionase con 18.172,60 a Zouma Producciones S.L. Cando se aprobaron as tres partidas --o 22 de xullo de 2009-- era o propio Fasero exercía de administrador da empresa, vendendo as súas participacións a unha terceira persoa seis días despois do reparto das axudas. A consellaría, que daquela aínda non se integrara con Educación e que dirixía Roberto Varela, á súa vez presidente da Agadic, xustificou as partidas sinalando que Zouma Producciones "é unha das discográficas máis importantes de Galiza e sempre recibiu axudas deste departamento, tamén do bipartito". Porén, entre 2005 e 2009 unha das argumentacións máis repetidas desde as bancadas do PP foi que a Agadic era "o chiringuito do BNG". Menos apoios e convocatorias de urxencia coa lexislatura pechadaEn 2012, Industrias Culturais reduciu en até 360 mil euros o apoio público a festivais de música e teatro. Antes de pechar a lexislatura a Xunta convocou pola vía da urxencia dous concursos de méritos para seleccionar @s nov@s director@s nos departamentos de Política Audiovisual e Produción Teatral. Senllos postos de traballo estarán dotados dunha retribución bruta de 40 mil euros anuais. A convocatoria non se fixo pública a través de ningunha canle oficial e levaba data do 30 de agosto, após se convocaren as eleccións nacionais e se esgotar a lexislatura. Aliás, o tempo de presentación das solicitudes contaba cun prazo de tres días laborábeis, malia fixar as propias bases cinco días para presentar a documentación requirida.
PRAZA_11037
Feijóo tentará facer esquecer os últimos malos resultados electorais do PP poñendo o acento en que "Galicia conta con estabilidade" grazas ao seu Goberno, que contraporá co de Pedro Sánchez. A oposición aproveitará a sesión para facer balance destes dez anos coa vista posta en 2020
Este martes comeza o derradeiro debate de política xeral da décima lexislatura galega. A sesión estará inevitablemente marcada por cadrar, segundo o pedido pola Xunta e aprobado polo PP, pola convocatoria de novas eleccións xerais para o 10 de novembro polo fracaso da investidura do socialista de Pedro Sánchez. Pero tamén polo feito de que as forzas políticas avaliarán dende cadansúa perspectiva a década transcorrida dende que Alberto Núñez Feijóo chegou á Presidencia e, ao tempo, a existencia ou non dunha alternativa pola esquerda nas eleccións ao Parlamento previstas para 2020.Feijóo tentará facer esquecer os últimos malos resultados electorais do PP poñendo o acento en que "Galicia conta con estabilidade" grazas ao seu Goberno, que contrapón co de Pedro SánchezPola banda do PP o bloqueo político para a formación do Goberno de España osixénalle o marco do debate a un Feijóo que, de ser investido Sánchez, chegaría politicamente máis atribulado tras os malos resultados electorais das xerais de abril, nas que foron superados polo PSdeG por primeira vez; e das municipais de maio, cando apenas lograron o empate técnico cos socialistas. Pero Feijóo tentará facer esquecer ambos golpes poñendo o acento en que "Galicia conta con estabilidade" grazas ao seu goberno e se esta se ve "afectada" é por "materias alleas á comunidade galega", avanzou o voceiro popular, Pedro Puy.O financiamento estatal pendente -que o Ministerio de Facenda se comprometeu a desbloquear despois de confirmarse a repetición electoral- ou a "inestabilidade económica" da que culpan tamén ao Goberno do PSOE serán algunhas das ferramentas de confrontación dun Feijóo que, segundo veu avanzando, procurará amosar un plan para a Galicia da vindeira década. No seu discurso terá especial protagonismo o Xacobeo 2021 e os dous seguintes -o que o presidente denomina como "era xacobea" de "5.000 días"- e tamén, bosquexou o PP, anuncios sobre "a cuestión demográfica" en materias de axudas ou equipamentos para a infancia.Sobre o Pazo do Hórreo pairarán a incerteza sobre as novas eleccións xerais e a respecto de se Feijóo recuncará ou non como candidato do PP en 2020Sobre o Pazo do Hórreo, así e todo, pairarán interrogantes que condicionarán forzosamente a que será segunda gran avaliación do debate: a da existencia dunha alternativa pola esquerda. Un ten que ver co que acontecerá nas eleccións xerais do 10N, nas que unha recuperación notable do PPdeG arrefriaría as expectativas de cambio na Xunta para 2020. O outro, intimamente relacionado co primeiro, refírese á decisión de Feijóo sobre optar ou non a unhas cuartas eleccións como aspirante á Presidencia.Estrea de CaballeroO líder do PSdeG procurará facer ver que rematou a xeira de Feijóo no poder e presentarase como aspirante a encabezar unha "maioría progresista" no país nas vindeiras eleccións galegasAmbas cuestións estarán sobre a mesa e condicionarán o discurso de quen é a principal novidade do debate, o socialista Gonzalo Caballero. O secretario xeral do PSdeG participa nun gran debate parlamentario por primeira vez e faino, ademais, dende a condición de líder da primeira forza da oposición, lugar simbólico que os socialistas recuperaron tras a ruptura do antigo grupo de En Marea. Dende o Grupo Socialista avanzan que a súa intención será facer "balance dos dez anos de xestión de Feijóo" e, especialmente na media década transcorrida dende o peor da crise económica. Todo isto sinalando que chegou a "fin do ciclo" do PPdeG.Xa "non é posible escudarse noutros, centrifugando as responsabilidades e utilizando a retórica como forma de ocultación", din dende o PSdeG. Alén do balance de xestión Caballero tentará afastar o debate da cuestión do financiamento autonómico que Feijóo, acusa, utiliza como elemento de "confrontación" co Goberno central. Ao tempo, procurará identificar o líder popular coa dirección do seu partido e o escoramento dereitista que, sinalan, foi materializado nos pactos autonómicos e municipais con Vox. E a si mesmo, coa forza que pode encabezar unha "maioría progresista".Comúns, BNG e Grupo MixtoPola banda do Grupo Común da Esquerda, marcado pola súa recente constitución tras a quebra de En Marea, as expectativas para o debate pasan por un discurso presidencial de "escapismo, publicidade e propaganda" e mais por un "uso partidista das institucións" que, di a deputada Luca Chao, ficou reflectido no propio adianto do debate para facelo cadrar coa confirmación da repetición electoral no Estado. A formación tentará amosar un "balance negro" da década de Feijóo, pero tamén para tentar facer ver no discurso de Antón Sánchez que hai "alternativas sólidas" aos populares coa vista posta nas eleccións de 2020, cara ás que aínda é unha incógnita como concorrerán as formacións que compoñen este grupo.No que atinxe ao BNG a súa portavoz nacional, Ana Pontón, observa o debate como "de grande transcendencia, porque será avaliada unha década de goberno de Feijóo", quen "deixa unha Galiza peor" que a que atopou. Feijóo, di a nacionalista, non debera "caer na tentación" de tornar "o debate do Estado na nación nun mitin que reduza a Galiza a ser teloneira dos intereses electorais de Pablo Casado", aínda que agarda que así sexa. Por iso, din, Pontón exporá que "no BNG temos un proxecto de futuro para Galiza" dende o convencemento de que este pode ser "o derradeiro debate de Feijóo" como presidente.O derradeiro debate de política xeral será tamén o primeiro da lexislatura dende a creación do Grupo Mixto, liderado por Luís Villares. O tamén líder de En Marea tentará marcar perfil de seu na primeira intervención parlamentaria de relevancia tras a ruptura, reivindicando unha "axenda política propia" para Galicia e poñendo o acento nas cuestións ambientais, como vén facendo nos últimos meses. O pano de fondo tamén será, non obstante, a convocatoria das xerais.
NOS_56755
Reclaman "colectivamente" o dereito dos pobos a viviren en liberdade, comezando polo galego.
Agir, BNG, Briga, Causa Galiza, Ceivar, Central Obreira Galega, Comités, CIG, Fruga, Galiza Nova, Liga Estudantil Galega, Nós-UP e o PCPG asinaron este 22 de xullo un manifesto unitario con motivo da celebración do Día da Patria Galega. O texto revisa a actual situación política, económica e social que atinxe Galiza e que para as organizacións sindicais, políticas e xuvenís asinantes devén da "carencia de soberanía". Neste senso, amosan a súa vontade colectiva por "recuperar os dereitos nacionais perdidos" e camiñar cara á "proclamación da República de Galiza" como "única forma para sentar as bases dun verdadeiro desenvolvemento económico e social, de creación de emprego, da recuperación dos dereitos sociais e da calidade de vida do pobo galego". Defenden a soberanía como "única forma para sentar as bases dun verdadeiro desenvolvemento económico e social" As organizacións que asinan o texto ven na Galiza "unha nación oprimida polo Estado español" e nese contexto, din, "radican a inmensa maioría dos graves problemas" que atinxen o país. Ao "atraso secular que arrastramos", subliñan, engádense "a dominación política e a asimilación cultural" española. Un feito que, acrecentan, "que conculca os máis elementares dereitos colectivos dunha nación como Galiza" a comezar pola imposibilidade de exercer o dereito de autodeterminación "recollido en todos os tratados e protocolos internacionais", explican. Soberanía para decidir Así mesmo, apuntan "a crise económica está a ser a coartada empregada polo Goberno español para aplicar toda unha serie de políticas neoliberais ditadas desde a Troika" que supoñen, din, a ruina das clases populares e do conxunto do pobo galego. "A crise económica está a ser a coartada empregada polo Goberno español para aplicar toda unha serie de políticas neoliberais" Neste senso, afirman que "a situación económica e social" sería "outra se posuírmos un sistema financeiro propio, se tivermos capacidade para decidir directamente as políticas agrarias, pesqueiras ou as que teñen a ver coas potencialidades da nosa industria naval, se dispormos de capacidade para decidir a ordenación do noso territorio, e se acreditarmos na nosa lingua e cultura como xenuína expresión da nosa maneira de tripar a terra". Destarte, as organizacións asinantes lanzan un chamamento "a secundar activamente todas aquelas iniciativas patrióticas promovidas nas vindeiras semanas", a "pendurar nas varandas, xanelas, fachadas de casas e vivendas" a bandeira de Galiza e a reclamar "colectivamente" o dereito dos pobos "a viviren en liberdade, con base nos principios básicos de autodeterminación e de xustiza".
NOS_20772
A campaña, que mistura de galego e español no título, diríxese a centros de ensino dos concellos polos que pasa o Camiño.
'Vexo Veo Xacobeo' é o nome dunha iniciativa impulsada por Turismo da Xunta e dirixida aos cativos de educación Infantil e Primaria. A Xunta patrocina un programa de Jiménez Losantos a pesar de deturpar topónimos Un programa que leva no seu título toda unha declaración de intencións sobre o 'bilingüismo harmónico' que a Xunta gobernada polo PP leva defendendo todos estes anos, con Manuel Fraga, con Alberto Núñez Feixoo e agora con Alfonso Rueda. Galego e castelán mestúranse xa no propio nome desta iniciativa, que entre outras actividades vai ter un videoxogo. "O Xacobeo vainos comer" A directora de Turismo, Nava Castro, participou esta sexta feira en Caldas nun acto no marco do mencionado proxecto 'Vexo Veo Xacobeo'. A iniciativa que está a percorrer diferentes centros educativos da Galiza levando no seu título un combinado de galego e español está impulsada pola Administración pública da Galiza, encargada de promover a lingua propia. Castro afirmou que as crianzas "deben coñecer que o Camiño forma parte da identidade da Galiza e que se trata dun elemento cultural e patrimomial de primeira orde". A arbitrariedade do Xacobeo Neste sentido, o proxecto impulsará varias iniciativas en centros educativos dos concellos polos que decorre o Camiño, co obxectivo de "achegar aos máis pequeno o coñecemento dunha parte fundamental da nosa cultura", mais sen facer ningunha referencia á promoción do galego.
PRAZA_7285
O presidente da Xunta felicita as festas nun vídeo no que asegura que no 2014 "por fin volveron algunhas palabras" a Galicia e inclúe nelas "emprego", "recuperación", "sanidade", "industria" ou "investigación". As cifras contradín a maior parte da súa mensaxe triunfalista.
O presidente da Xunta de Galicia vén de facilitar o Nadal. Fíxoo, polo momento, como presidente do PPdeG nun vídeo no que asegura que "neste 2014, por fin volveron algunhas palabras" ao país. E a continuación enuméranse vinte verbas que, segundo o xefe do Executivo galego, regresaron á sociedade galega e que foron sacadas de diferentes discursos protagonizados por el mesmo. Feijóo cre que no 2014 "por fin volveron algunhas palabras" a Galicia e inclúe "emprego, recuperación, sanidade, industria e investigación" "Autoestima, optimismo, emprego, recuperación, tecnoloxía, turismo, sanidade, coñecemento, igualdade, benestar, cooperación, automoción, irmandade, rigor, oportunidade, exportacións, compromiso, industria, investigación e naval". Vinte palabras que, segundo Feijóo, xa regresaron a Galicia. "Neste 2015, traballaremos para que estean presentes con maior intensidade, en Galicia e nos fogares. Feliz Nadal e próspero aninovo.", finaliza o presidente da Xunta. Unha ollada a diferentes datos abonda para comprobar que a maioría das palabras ás que se refire Feijóo ou non regresaron ou están volvendo cun ritmo máis que precario. Un repaso a algunhas delas descóbrennos unha realidade algo diferente á que pinta o Goberno galego e o partido que o sustenta. AUTOESTIMA. Se hai algo do que poden presumir os galegos é de contar cun idioma propio. Unha lingua que esmorece a cada paso e que se ve afectada pola discutida política lingüística que leva a cabo a Xunta de Galicia. A última enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o uso do galego revela que as persoas que utilizan o idioma do país na súa vida diaria descenderon 13 puntos en dez anos. Pero o Executivo celebra o incremento da poboación bilingüe. Feijóo presume da "autoestima", mentres os galegos son cada vez menos e o uso da lingua propia descende sen remedio Ademais, os datos confirman a preocupación polo descenso de falantes entre a mocidade. Tres de cada catro rapaces e rapazas de menos de 15 anos é castelanfalante, o mesmo de dúas de cada tres persoas entre 15 e 29 anos. Xa que logo, o galego xa só é maioritario entre os maiores de 50 anos. Se falamos da poboación galega, Galicia volveu liderar a perda de poboación no Estado nas últimas estatísticas. O país perdeu máis de 6.100 habitantes no primeiro semestre deste ano 2014 e volve encabezar a lista con peor saldo vexetativo. Tamén presenta unha das taxas máis baixas de fecundidade e é unha das autonomías onde a maternidade chega máis tarde (32,3 anos). Menos galegos e menos galego. E menos autoestima. OPTIMISMO. Segundo os últimos datos do IGE, seis de cada dez familias seguen chegando "con dificultades" a final de mes en Galicia. Quen máis problemas atopa para subsistir son os fogares monoparentais, entre os que tres de cada catro se atopan nesta situación. Os indicadores melloraron lixeiramente, pero tres de cada dez persoas asumiron novas medidas de aforro, ao tempo que pasan do 7% ao 11% as familias "con moitas dificultades". De igual xeito, reduciuse o número de familias que adoptaron medidas para recortar gastos. Por exemplo, aqueles que nos últimos meses cambiaron os seus hábitos de compra mercando marcas brancas ou produtos en oferta, son o 28,13% cando hai un ano superaban o 30% e en 2010 chegaron ao 40% do total. En termos semellantes evolucionou a porcentaxe de familias que recortaron gastos e roupa ou transporte, tamén por debaixo do trinta por cento (28,7%). Porén, a realidade é que case tres de cada dez familias realizaron nos últimos meses novos recortes de gastos. Para eles e elas a crise non escampou. De optimismo, nada de nada. EMPREGO E RECUPERACIÓN. Difícil manter que o emprego volveu aos fogares galegos. Polo menos aos dos 248.362 desempregados cos que conta Galicia segundo os últimos datos dos servizos públicos de emprego. No pasado mes de novembro, o paro baixou no conxunto do Estado pero subiu no país, que foi a segunda comunidade autónoma onde máis se incrementou o desemprego. Así, en Galicia hai 4.588 persoas máis rexistradas nos servizos públicos de emprego (+1,9%), quedando a cifra total nos case 250.000 parados, un 8,2% e 22.222 menos que hai un ano. O de novembro foi o terceiro ascenso consecutivo do paro no país, o que deixa xa moi lonxe aqueles datos que fixeron que a autonomía liderase a caída do desemprego no Estado no pasado mes de agosto. Foi un espellismo provocado polas contratacións estivais e a campaña de verán. O desemprego volveu subir en setembro en 1.264 persoas e noutras 5.841 en outubro. En novembro, tan só Illes Balears rexistrou un peor dato, con case 9.000 rexistrados máis nas oficinas de emprego. O presidente da Xunta fala de "emprego" e "recuperación" con 250.000 parados e 13.000 emigrantes en seis meses de 2014 O dato foi aínda peor se temos en conta que a afiliación á Seguridade Social en Galicia baixou no mes de novembro en 4.100 persoas (-0,44%), polo que o total de afiliados situouse en 928.660 traballadores. En relación co mesmo mes do ano anterior, a cifra aumentou en 11.900 persoas. É este dato interanual o único positivo, xa que as cifras do mes de novembro deixaron claro o empeoramento do mercado laboral en Galicia, que mesmo racha coa feble e precaria tendencia positiva no conxunto de España. E iso sen ter en conta a emigración, que reflicte a cara máis dura da situación laboral en Galicia. A publicitadísima "senda da recuperación" non chegou aos ouvidos de, cando menos, 12.620 persoas. Tampouco as aseveracións refereridas a que Galicia é dos primeiros territorios do Estado en saír da crise económica. Iso se deduce dos datos migratorios publicados hai dúas semanas polo Instituto Nacional de Estatística (INE), os cales acreditan que esa cifra de homes e mulleres, case 13.000, abandonaron o país en dirección a outros puntos do Estado ou do mundo no primeiro semestre deste 2014. Dende o inicio da crise a cifra aproxímase xa ás 160.000 persoas. SANIDADE. As manifestacións contra os recortes e as privatizacións na sanidade pública galega, contra o aumento das listas de esperas e contra as precarias condicións dos seus traballadores son constantes.Un completo informe de SOS Sanidade Pública destaca que entre 2009 e 2014 destinouse un 12,3% menos de orzamento para o sistema sanitario público e perdéronse máis de 2.000 postos de traballo, "un auténtico ERE no Sergas". A sanidade pública perdeu un 12,3% do orzamento e máis de 2.000 postos de traballo nos últimos cinco anos Ademais, levouse a cabo o peche de 275 camas hospitalarias e seguiuse beneficiando a sanidade privada mentres "se vampirizan os fondos do sistema público, provocando tamén a perda de coñecemento, loxística ou mantemento". Segundo este colectivo, neste período de goberno do PP o 48,8% do orzamento foi destinado ao sector privado, mentres que tan só o 7,1% para os centros públicos. Ao tempo, en catro anos a espera cirúrxica media pasou de 71 a 83 días, engadindo así a estas listaxes uns 3.700 pacientes. BENESTAR. Nos últimos anos, o Goberno galego sacou peito polo incremento dos orzamentos destinados a sufragar a Renda de Integración Social de Galicia. En marcha dende 1992, a RISGA é un subsidio que, admite a propia Xunta, está destinado a procurar a mera "subsistencia" das persoas que "carecen de recursos económicos". A súa contía oscila entre os 399 euros, para persoas que viven soas, e os 601, para unidades de convivencia de cinco ou más persoas. Se ben é certo que a dotación orzamentaria da RISGA acadou cifras récord nos últimos anos non o é menos que o propio funcionamento do subsidio implica un incremento de fondos en función das persoas solicitantes, isto é, das persoas nunha situación económica límite. O orzamento da RISGA permaneceu practicamente intacto nuns 23 millóns de euros dende as derradeiras contas públicas aprobadas polo bipartito, as de 2009, e ata 2012, cando foi incrementado nun millón de euros. En 2013 o seu incremento foi maior, ata os 32,7 millóns de euros, en 2014 rozou os 40 e en 2015 está previsto que supere os 47. Estas subas non impediron, ademais, que a Consellería de Benestar tivese que realizar modificacións orzamentarias en pleno exercicio por non seren dabondo as contías iniciais. O PPdeG tamén fala da recuperación do "benestar", cuns 9.000 beneficiarios da Risga e medio millón de galegos en exclusión social Dende finais dos anos 90 a poboación beneficiaria destas axudas roldou as 4.000 persoas, unha estabilidade que comezou a rachar en 2009, cando se achegaron ás 4.800. Dous anos despois, en 2011, as persoas que precisaban a RISGA para subsistir xa superaban as 5.000, en 2012 quedaron por riba das 6.700 e en 2013 produciuse o gran salto, ata as 9.300. As cifras de 2014 e 2015, aínda correspondentes a estimacións da Xunta, falan dun lixeirísimo descenso no presente ano e dun incremento no seguinte, ata as 9.900. A suba, polo tanto, é de arredor do 113% dende o inicio da crise. Un síntoma evidente da falta dun mínimo benestar en milleiros de persoas en Galicia. Pero non é o único dato. Medio millón de galegos atópase en situación de exclusión social, segundo un informe presentado tamén hai pouco por Cáritas e a Fundación Barrié, no que se advirte do envecellemento da poboación e da necesidade de "atención de urxencia" aos 55.000 fogares galegos (unhas 130.000 persoas) que se atopan en situación de exclusión social severa. INVESTIGACIÓN. Aquí, unha vez máis, os datos son teimudos. Os máis recentes son o dos orzamentos da Xunta para o ano 2015, presentados hai unhas semanas. A partida dedicada a I+D+i crece, pero de forma mínima, pasando dos 118,4 millóns de euros de 2014 aos 120 millóns, un incremento de apenas o 1,35%. Certo é que o ano anterior o investimento no Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica tamén crecera (dende os 114,5 millóns), pero dous anos antes, nos orzamentos para o 2011 este experimentara o seu recorte máis importante, perdendo 20 millóns de euros, que se unían aos 8 millóns perdidos nas contas de 2010. En definitiva, e a pesar das leves subas dos dous últimos anos, o investimento en I+D+i nas contas públicas galegas é hoxe un 15,5% inferior ao de 2009. Seis anos perdidos e en regresión. Ademais, entidades coma a Confederación de Sociedades Científicas de España teñen denunciado en varias ocasións que, ademais dos recortes sufridos nos orzamentos, tamén hai que falar do elevado grao de non execución dos mesmos, superior ao 40% do total en moitos casos. Case a totalidade dos fondos non gastados corresponden a créditos, o que nas partidas aparecen como operacións financeiras, que non se adxudicaron. INDUSTRIA. Que a situación industrial en Galicia é mala é máis que evidente, pero os datos tampouco enganan. O Índice de Produción Industrial (IPI) diminuíu en Galicia un 7% no mes de outubro con respecto ao mesmo mes de 2013, o que supón a maior caída a nivel estatal despois de Asturias. Son as últimas cifras feitas públicas polo INE, que revelaron tamén que, no que vai de ano, este IPI caeu un 4,6%, situándose o país como a segunda autonomía con maior caída, só por detrás de Asturias. Galicia sofre a maior caída a nivel estatal en produción industrial despois de Asturias Xa en particular, a situación dalgunhas empresas é alarmante. A última, a de Alcoa e os seus traballadores, pendentes dunha nova poxa de interrompibilidade para evitar o peche da factoría da Coruña, que suporía a perda de 400 empregos directos e máis do dobre indirectos. NAVAL E AUTOMOCIÓN. A menos de dúas semanas de que finalice o veto á UE sobre a construción naval civil, os estaleiros da ría de Ferrol recibiron unha boa nova, coa adxudicación do seu primeiro gran proxecto fóra do naval. Iberdrola adxudicou a Navantia o contrato de compoñentes de eólica mariña para un parque alemán, con 700 traballadores implicados entre Fene e Puerto Real e cun contrato que ascende a 160 millóns. Foi unha das poucas boas novas recibidas por un sector que perdeu milleiros de empregos nos últimos anos, que segue á espera de máis carga de traballo e que agarda por un dique flotante que nunca chega. Mentres, os contratos de Pemex -positivos- quedaron en moito menos do que desde a Xunta se promocionaba. Na automoción, tamén Feijóo presume. A planta viguesa de PSA Citroën adxudicouse a nova furgoneta do grupo, a K-9, tal e como se encargou de anunciar o Goberno galego. Foi unha boa nova que tivo unha condición nada positiva: o reaxuste salarial e os recorte que tivo que sufrir o cadro de persoal e que provocou importantes protestas dos sindicatos, contrarios a un acordo so sindicato maioritario SIT coa dirección da empresa e co rexeitamento do resto de centrais (UGT, CCOO, CIG e CUT). IGUALDADE. Tamén falou Feijóo de "igualdade" no vídeo no que felicita o Nadal. Só un dato dos múltiples que hai sobre a situación de desigualdade das mulleres: As mulleres galegas cobran, de media, un 23% menos que os homes nos seus postos de traballo por conta allea. Ademais, as novas empresas creadas no país teñen, no 70% dos casos, fundadores masculinos. Isto sucede nun contexto no que as cifras oficiais de poboación indican que en Galicia viven máis mulleres ca homes, no que o alumnado dos estudos superiores é maioritariamente feminino e no que as estudantes protagonizan os galardóns de excelencia académica. Malia estas circunstancias nos postos de traballo mellor pagados do país a presenza de homes practicamente duplica á de mulleres, mentres que nos postos de traballo máis precarios o persoal feminino é maioría.
NOS_55714
O naval ferrolán volverá saír á rúa para lembrar ao goberno español que non abandonarán a mobilización "até que o nivel de emprego sexa o óptimo". En asemblea, @s traballador@s aprobaron unha nova axenda de mobilizacións que dará comezo esta quinta feira nas marchas da Alianza Social galega.
Sen carga de traballo e con taxas de desemprego que sitúan a comarca de Ferrolterra ao borde do colapso, o comité de empresa de Navantia acordou esta cuarta feira en asemblea un novo calendario de mobilizacións. Cun acto simbólico na céntrica Praza de Armas, @s traballador@s dos estaleiros de Ferrol-Fene lembraron a Madrid cales foron os compromisos acadados que, até o momento, fican sen cumprir e algunhas das cuestións que manteñen en xaque a Navantia e o seu plantel. "Dique si / Veto non / Flotel si". Esa é a mensaxe que pintaron integrantes do comité de traballador@s de Navantia no chan de Ferrol para exixiren ás autoridades españolas --mais tamén galegas-- que se cumpra co prometido, pois, lembran, o flotel concedido para a súa construción no estaleiro público "continúa sen ter datas certas" e outro buque anunciado por Cristóbal Montoro no Congreso de deputad@s non é máis, din, que un "anuncio virtual". Entrementres a construción do dique flotante continúa paralizada e mantense o veto á construción naval civil, o que impide a Navantia acadar novos contratos para alén da administración pública. Así é que o presidente do comité, Ignacio Naveiras, salientou que é "o desemprego" o principal "problema de Ferrolterra", polo que "temos que seguir presionando pola carga de traballo dos estaleiros". "Non imos abandonar a senda da mobilización" Unha loita que volverá á rúa a partir desta quinta feira. @s traballador@s acordaron en asemblea aprobar un novo calendario de mobilizacións que comezarán este 27 de febreiro da man da Alianza Social Galega. Asemade, e coincidindo coas festas de Entroido, o comité tomará parte do desfile de comparsas para exixir carga de traballo. Tamén así, o vindeiro 12 de marzo convocan unha marcha até a factoría de Perlío para amosaren "a nosa disconformidade co cambio de rumbo da empresa e, polo tanto, do Goberno central, a respecto da participación da antiga Astano nos traballos do flotel", sinalou Ignacio Naveiras. E o día 27, unha concentración face o edificio de Facenda lembrará a Madrid que urxe unha solución en forma de traballo para os centros de traballo da ría. Finalmente, a campaña rematará cunha mobilización comarcal cuxa data fica aínda pendente mais que podería ter lugar a finais de marzo ou comezos de abril. "Non imos abandonar esta senda da mobilización", advirten, até "que o nivel de emprego sexa óptimo". Imaxes tiradas do Twitte @AlvaroSeco, @Drahthar, @maria_panblanco
NOS_32529
Por un delito de lesións. Os feitos aconteceron en marzo de 2020 en Caldas de Reis.
O concelleiro do Bloque Nacionalista Galego en Caldas de Reis, Manuel Fariña, denunciaba a principios de marzo do ano pasado que fora agredido por un empresario da comarca, responsábel, presuntamente, dun vertido de cascotes nos montes de Saiar e que o edil nacionalista denunciara. O pasado mes de xuño decorreu o xuízo a raíz desta denuncia e vén de se publicar a sentenza, que condena o empresario por un delito leve de danos. Terá que pagar 270 euros a Manuel Fariña, así como o pagamento das costas e, ademais, deberá indemnizar o concelleiro con perto de mil euros. "Douche unha [puñada] e douche vinte, porque as mereces e porque teño 'huevos' para darchas e porque eres un fillo de puta" A sentenza, á que tivo acceso Nós Diario, considera feitos probados que o 5 de marzo de 2020, sobre as 11.40 horas, o denunciante, Manuel Fariña Souto, a petición do denunciado acompañou a este, Juan José C.I., a unha parcela forestal sita en Cardín, sobre a que Manuel Fariña denunciara previamente a existencia duns vertidos. "Unha vez que chegaron alí, e tras unha discusión, Juan José Caamaño, con ánimo de atentar contra a integridade física de Manuel, dirixiulle o puño á cara, o que provocou a caída deste. Unha vez no chan, Manuel dirixiuse cara Juan José e díxolle: "paréceche esta a forma de amañar as cousas?" ao que Juan José lle respondeu "douche unha e douche vinte, porque as mereces e porque teño huevos para darchas e porque eres un fillo de puta". Como consecuencia do anterior Manuel Fariña Souto sufriu lesións consistentes en contusión no nocello esquerdo e contusión na queixada e na nádega esquerda. Estas lesións requiriron para a súa sanidade dunha única asistencia facultativa, sen tratamento médico nin cirúrxico. Manuel tardou 21 días en curar das súas lesións, dos que 7 sufriu un prexuízo particular moderado na calidade da súa vida; e os outros 14 un prexuízo particular básico. A agresión produciuse un par de semanas despois de que o BNG de Caldas denunciase o vertido de toneladas de entullos nos montes de Saiar de forma incontrolada, sen vixilancia nin permiso por parte da Administración. Con anterioridade, a veciñanza da contorna xa denunciara os feitos ante o Servizo de Protección da Natureza (Seprona). Foi a ausencia de noticias por parte dos axentes deste servizo o que motivou a denuncia do edil nacionalista nas dependencias da Policía Local para que investiguen as verteduras.
PRAZA_10046
Pontón asegura afrontar as municipais con "optimismo" tras ser nas xerais a "forza con representación no Parlamento que porcentualmente máis incrementou os seus votos". A formación sinalará políticas de mobilidade, comercio, xestión ambiental ou patrimonio nos "concellos BNG" como referentes da súa campaña
Máis BNG onde o Bloque goberna e Agora BNG onde participa como socio minoritario do goberno ou é oposición. Son os lemas elixidos pola formación que lidera Ana Pontón para as eleccións municipais do 26M, aos que aposta por concorrer esgrimindo como "aval" a xestión dos municipios onde xa gobernan.Ao fío dos resultados das recentes eleccións xerais Pontón asegura que o Bloque se presenta a este 26M como "unha forza política en ascenso" dado o seu aumento de votos con relación aos anteriores comicios xerais. Pero tamén como unha "organización sólida" con gobernos que, precisamente no ámbito municipal, son "referentes de honestidade e honradez", así como de "políticas que melloran a vida das persoas" e emblemas tanto en Galicia como a "nivel internacional".Pontón asegura afrontar as municipais con "optimismo" tras ser nas xerais a "forza con representación no Parlamento que porcentualmente máis incrementou os seus votos"Segundo Pontón, o BNG afronta as municipais con "optimismo" porque conta con "tres forzalezas", a comezar polo "avance imparable" do seu apoio electoral que, considera, quedou "de manifesto nas pasadas eleccións xerais" ao ser "a forza con representación no Parlamento galego que porcentualmente máis incrementou os seus votos". A "segunda fortaleza", coida, é a "implantación no conxunto do territorio" e a incorporación de persoas independentes ás candidaturas, toda vez que "a metade" dos integrantes das listas "non están afiliadas".A formación sinalará políticas de mobilidade, comercio, xestión ambiental ou patrimonio nos "concellos BNG" como referentes da súa campañaA ambas liñas únese outra, di, "o aval do noso traballo nos concellos", uns "concellos BNG" que xa son "unha marca de calidade" en eidos como "a mobilidade, o comercio da proximidade, o coidado do patrimonio", a "xestión ambiental sostible" ou "modelos urbanos de proxección internacional", citou. A política municipal do BNG ten "prestixio, cambia concellos e fainos máis habitábeis", considera.Estes son os aspectos que o BNG pretende reflectir coa súa campaña que, segundo o seu responsable de comunicación, Xavier Campos, dá "continuidade" á imaxe das mensaxes das eleccións xerais, pero adaptadas ao eido local. Así, co lema Máis BNG pretenden "dicir máis Carballo, máis Tomiño, Máis Moaña" para "reforzar e dar continuidade ás políticas municipais que estamos desenvolvendo. Alí "onde non temos a alcaldía", explica, o lema é Agora BNG porque "consideramos que este é o momento de apostar polo BNG", conclúe, todo baixo a marca global "concellos BNG".
NOS_36102
O debate a 5 desta segunda feira nas televisións estatais foi unha posta en escena da reacción contra a rebelión catalá e un lavado de cara do discurso máis retrógrado que empeza a abrazar mesmo o PSOE, cun Pablo Iglesias demasiado preocupado por mendigar unha coalición de Goberno sen medir ben a deriva dos socialistas cos que pretende acordar.
A pregunta que ía enmarcar o debate formulouna o presentador, Vicente Vallés, aos cinco minutos de comezar: "Que debe facer o próximo presidente do Goberno para garantir a orde constitucional en Catalunya?" Diso ía a cousa: a posta en escena da reacción conservadora dun réxime conservador ferido de morte e nunha deriva autoritaria que cuestiona os mesmos valores da democracia liberal. Pola tarde, en Barcelona, coa visita do Rei colonial e da herdeira expresándose na lingua indíxena; pola noite, en Madrid, na Academia de Televisión -con apelacións dos actores a regular as televisións públicas para que só manipule quen debe manipular-, nunha oda á porra colonial, esgotados os valores democráticos, cunha operación de lavado e normalización dun discurso ultramontano, o de Vox, a quen ninguén emendou nin cando falou de suspender a autonomía catalá, ilegalizar partidos, "deter e esposar" o presidente da Generalitat ou retirar a sanidade pública aos inmigrantes. Así están as cousas por España, coa centralización dura tomando posicións, a branda de Rivera convertido nunha caricatura (por branda), coa dereita de Casado propoñendo unha "moratoria competencial" e co socialismo perdendo até a súa sombra e abrazando o discurso máis retrógrado e funcional aos intereses do Réxime'78. E Iglesias? Iglesias mendigando un anaco de Goberno e apañando golpes de Abascal sen ser quen de responder cunha breve lección de historia ás mentiras que sen rubor propaga á reacción. Iglesias pendente de comentar con rutina populista o plano cenital ao inicio da retransmisión coas limpadoras pasando a fregona que non ía de xénero, porque na televisión nada é casualidade, senón dunha mesma posta en escena que, corenta anos despois, informase ao público -porque a televisión é invencíbel- que as cousas non mudaron nin van mudar tan fácil. Si, desta volta, Galiza apareceu como anécdota no debate e todos os candidatos pronunciaron o nome da colonia cando menos unha vez mentres falaban das colonias. Mesmo Pablo Iglesias quen, inxenuo, quixo explicar aos espectadores da oda que de tanto falar de Catalunya, a ver se a xente vai pensar que os madrileños non se preocupan dos demais: Extremadura, as illas e Guadalaxara, dúas veces na mesma relación da lista de Sánchez sobre a España baleira. Ou Abascal, criticándolle a Casado que Feixoo teña dito (igual si) que Galiza é unha nación histórica. E Casado, lembrándolle a Sánchez que aquí, na colonia, veñen pactando con independentistas. Non se tratou a cuestión como unha encrucillada política, senón como un problema de "convivencia" (Sánchez) ou directamente de "orde". Todos. Con Iglesias sen ser quen de ofrecer unha alternativa, tan ocupado como anda mendigando a coalición de goberno O debate deixou claro que desde Madrid só se ven dúas realidades: a España que non interesa, e a Catalunya que tanto preocupa. Era iso, non? Que facer con Catalunya? Non se tratou a cuestión como unha encrucillada política, senón como un problema de "convivencia" (Sánchez) ou directamente de "orde". Todos. Con Iglesias sen ser quen de ofrecer unha alternativa, tan ocupado como anda mendigando a coalición de goberno. O debate sobre Catalunya sen forzas políticas catalás na mesa, sobre a cuestión territorial sen forzas nacionalistas (enténdase, non españolas) na mesa, sobre as limpadoras, as reformas laborais e a España baleira sen máis realidade da que se albisca desde Madrid na mesa... un debate sobre o Estado sen a maior parte do Estado presente. A España de Sánchez, Casado e Abascal (Rivera xa non conta) e o ausente Iglesias dá medo, é un burato negro no que desaparecen as esquerdas e na que as grandes propostas para o futuro son endurecer o Código Penal, meter máis políticos presos, crear un ministerio da (re)poboación ou que goberne a lista máis votada para ir eliminando ideas e políticos aos que non se pode (aínda) meter presos.
NOS_53287
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de recoller o galardón de Patrimonio Cultural dos Premios da Cultura Galega ao mosteiro de San Pedro de Rocas, ao tempo que Fiscalía investiga as dilixencias abertas contra esta Deputación e a Xunta polo proxecto de ampliación do acceso ao Ben de Interese Cultural (BIC).
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de recoller este sábado o galardón de Patrimonio Cultural dos Premios da Cultura Galega ao mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos (comarca de Ourense). Bernardino Graña, Dígocho eu! e o mosteiro de San Pedro de Rocas entre os galardóns dos Premios da Cultura Galega De forma paradoxal, a recollida deste premio coincide coa investigación da Fiscalía, que decidiu no pasado mes de maio abrir dilixencias contra a Xunta da Galiza e a Deputación de Ourense polas obras de ampliación no BIC, após constatar numerosas irregularidades no proxecto. Despois de recoller o premio, Baltar evitou referirse ás denuncias veciñais e á apertura de dilixencias por parte da Fiscalía, e limitouse a agradecer o premio, "primeiro porque Rocas é de titularidade provincial mais, sobre todo, porque debe ser Patrimonio da humanidade". A Fiscalía abre dilixencias contra a Deputación de Ourense e a Xunta por causar danos no mosteiro de San Pedro de Rocas Numerosos colectivos ecoloxistas e de protección do patrimonio denunciaron que o proxecto, promovido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e apoiado polo Goberno galego, está a causar danos na contorna arquitectónica e natural do mosteiro, o máis antigo da Galiza. A Fiscalía considera que a actuación de ambas institucións podería resultar un delito contra o patrimonio histórico, agravado polo feito de que a Deputación xa comezou as obras, a pesar de que existían no momento do inicio das mesmas causas abertas ao respecto contra ela e contra o seu propio presidente a título individual. Baltar segue adiante O proxecto de ampliación do acceso ao mosteiro de San Pedro de Rocas busca que os vehículos de alta capacidade poidan acceder até o milenario cenobio, sobre o que pesan nove figuras de protección. Para conseguir a ampliación do acceso ao mosteiro, tamén se ven afectados terreos arborados da contorna próxima ao BIC. Un contencioso administrativo foi interposto por propietarios que están a ver afectados os seus predios e árbores. Tamén foi presentada unha denuncia por un suposto delito de espolio en grao de tentativa, invasión de terreo privado e danos patrimoniais. A Fiscalía atendeu unha denuncia rexistrada por expertos historiadores advertindo do risco de desaparición de elementos patrimoniais e arqueolóxicos, considerando que os indicios xustificaban a apertura de dilixencias. Comeza a corta de árbores nas inmediacións do mosteiro de San Pedro de Rocas Malia existir procesos xudiciais en curso ao respecto, a Deputación comezou a obra, e co apoio da Xunta. A investigación da Fiscalía tampouco parece que vaia conseguir parar o proxecto da Deputación de Ourense, novamente sustentado por un Executivo galego que premiou Baltar coa recollida este sábado do galardón nos Premios da Cultura Galega. O apoio do Goberno galego ás intervencións de Baltar na contorna inmediata do mosteiro de San Pedro de Rocas certificouse este sábado. Nun contexto de remuda no Executivo galego que deixou ver tensión entre as chamadas baronías do Partido Popular galego, o galardón recollido por Baltar pode ter un valor simbólico no afianzamento das relacións entre o PP de Ourense e a nova dirección do partido na Galiza..
NOS_56977
O galardón escóllese entre proxectos de Portugal, a Galiza e outros países da lusofonía.
O fotoxornalista galego Adra Pallón, cunha serie sobre os incendios na Península Ibérica, é o gran vencedor da 13.ª edición do Premio Estaçao Imagem, que anualmente distingue en Portugal os mellores traballos de fotoxornalismo do ano.Na categoría Noticias, o premio foi para Rui Duarte Silva, do semanario Expresso, e a súa reportaxe de guerra na Ucraína, anunciou este sábado o xurado en Coímbra. Tamén se anunciou que fotógrafo norteamericano James Nachtwey presidirá os Premios en 2023. O principal galardón é escollido a partir de todos os candidatos que remiten os seus proxectos ao xurado o premio e poden ser oriundos de Portugal, de países de lingua oficial portuguesa e da Galiza. O principal galardón é escollido a partir de todos os candidatos que remiten os seus proxectos ao xurado o premio e poden ser oriundos de Portugal, de países de lingua oficial portuguesa e da Galiza. 'Lume e Cinza' é o título da serie premiada, un conxunto de imaxes recollidas para a Axencia Efe nos incendios forestais entre setembro de 2021 e este ano. "Unha das problemáticas máis notadas coa chegada da temporada estival é o aumento de incendios forestais tanto en cantidade como en virulencia", di o fotoxornalista galego no sitio web do Estação Imagem. "Esta é outra das consecuencias das alteracións climáticas", postula. O presidente do xurado e ex-editor de fotografía internacional do New York Times, David Furst, dixen que a creatividade e paixón dos fotoxornalistas "superan calquera tipo de dificultade financeira", cita a axencia Lusa, considerando que fan "milagres". "Este traballo nunca foi tan vital e indispensábel. Por cada imaxe publicada, hai un fotoxornalista afouto a contar a historia. Na miña perspectiva, son heroes e debemos homenaxealos en todas as oportunidades que temos", subliñou este sábado en Coímbra.
PRAZA_18126
A sanción da Xunta chega logo doutra de 30.000 euros por un vertido de augas residuais e advirte de que a empresa non tomou ningunha medida preventiva para evitar as verteduras.
Unha nova multa de Augas de Galicia á empresa da mina de Touro, Explotaciones Gallegas. Desta vez a sanción é de 20.000 euros e é desvelada pola asociación Aldea Viva tan só unha semana despois de que se coñecese outra de 30.000 polo vertido de augas residuais que "alteraron a calidade das augas por concentración de contaminantes superiores ós límites autorizables". A multa de 20.000 euros polo desbordamento dunha balsa chega logo doutra de 30.000 por un vertido de augas residuais Agora, a multa chega polo desbordamento dunha balsa en Bama (Touro) que afoi advertida en febreiro xa por Aldea Viva a Augas de Galicia e á Consellería de Medio Ambiente e que supuxo a contaminación do río Brandelos, afluente do Ulla. A entidade censurara na súa comunicación o "descontrol e a irresponsabilidade da empresa propietaria dos terreos", que agora pretende poñer en marcha o polémico proxecto de megaminería que está a erguer tantas protestas. Daquela, o conselleiro de Industria, Francisco Conde, informaba a En Marea no Parlamento da tramitación dun expediente sancionador, pero xustificaba en parte o acontecido polas condicións climatolóxicas. A Xunta e a empresa xustificaron o desbordamento polas chuvias pero Augas de Galicia lémbralles que eses episodios "non son infrecuentes na zona" "Recoñecía o desleixo da Administración todos estes anos", denuncia Aldea Viva, que asegura que Augas de Galicia deixou sen xustificación ao conselleiro Conde e á mineira ao aclarar que "os episodios de choiva como os acontecidos no pasado mes de febreiro non son infrecuentes na zona" e que se "constata que a empresa non tomou ningunha medida preventiva para evitar o vertido polo que se lle incoa este procedemento". O organismo público tamén rexeita a argumentación da empresa que intenta eludir as reponsabilidades negando que o vertido ilegal altere a calidade da auga. Augas de Galicia afirma que as diferentes analíticas demostran o contrario, xa que "logo do desbordamento constátase un incremento notable na concentración de sulfatos no río Brandelos entre augas arriba e augas abaixo do vertido e tamén un incremento moi considerable dos parámetros de cobre e manganeso". Augas de Galicia constata "un incremento notable na concentración de sulfatos no río Brandelos" e "moi considerable dos parámetros de cobre e manganeso" Para Aldea Viva, a resolución destes dous expedientes sancionadores a Explotaciones Gallegas "deberían ser motivo dabondo para que a Xunta rexeite o proxecto mineiro, xa que queda constatada a incompetencia e ausencia de responsabilidade da empresa dende que chegou ao municipio, a comezos dos anos 90" Ademais, foi a mesma Augas de Galicia a que certificou tamén hai varios meses que todos os ríos na contorna da mina de Touro están xa contaminados, baseándose nos datos das analíticas realizadas en todos os puntos de control da contorna dunha explotación mineira que agora quere reabrir Cobre San Rafael, participada pola multinacional Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas, malia o forte rexeitamento social.
NOS_53939
O primeiro ano da maior traxedia terrestre de Galiza chega entre anuncios de homenaxes e fastos por parte das mesmas autoridades que atrancan calquera investigación parlamentar sobre as responsabilidades do Estado. As vítimas denuncian: "Non nos merecemos isto".
"Non nos mercemos isto" afirma Cristóbal Fernández, da Asociación de Prexudicados polo Accidente do Alvia (Apafas). Con "isto" este sevillano que viaxaba no tren que descarrilou en Angrois, provocando 79 mortos, resume o sentimento de "abandono" e "frustración" que din sentir após 12 meses sen respostas. Máis rotundos aínda se mostran desde a Plataforma Alvia 014155, "Queremos saber a verdade", reclaman, e está claro, manteñen, que "os grandes partidos non teñen o máis mínimo interese e preocupación" en satisfacer esa demanda. Este 24 de xullo é o primeiro aniversario da maior traxedia terrestre da Galiza contemporánea. Un sinistro ferroviario a 3 km da estación de tren de Compostela, na curva da Grandeira, que deixou 79 persoas falecidas e máis dun cento de feridas. "Como todo sinistro é complexo, hai moitos elementos a ter en conta, factores diversos...mais, desde logo, o que é unha solemne parvada é reducilo todo a unha persoa, o maquinista", sostén o técnico Miguel Rodríguez. Unha opinión que partillan desde o Colexio de Enxeñeiros até o sindicato de maquinistas, pasando mesmo polas asociacións de vítimas ou mesmo parte da veciñanza de Angrois. A íntegra desta reportaxe podes achala no Sermos Galiza nº105, na nosa loxa ou nos quiosques do país.
NOS_18837
O barómetro publicado polo CIS correspondente ao mes de maio amosa un PP sen chan electoral que caería até ser a cuarta forza política no Estado de celebrarse agora unhas novas eleccións xerais.
Após o suspenso nas urnas recollido polo Partido Popular o 28 de abril e máis nos comicios locais e europeos do 26 de maio, o barómetro que o CIS vén de publicar estima que o Partido Popular sería cuarta forza política, de celebrarse agora novas eleccións xerais. O estudo de maio reduce o número de persoas enquisadas respecto ás macroanálises pre-electroais de marzo e abril. Volve así agora a basearse en 2.985 entrevistas persoais realizadas en 294 municipios de 48 provincias entre os días 1 e 11 de maio, após a celebración das eleccións xerais. Á pregunta de a quen votarían de convocarse novas eleccións xerais, un 30,1% confirmou que optaría polo PSOE, mentres que un 13,4% faríao por Ciudadanos e un 12,6% por Unidas Podemos. Tan só un 9,4% garantiu o seu voto o PP e un 4,4% elixiu Vox. Con todo, un 7,5% decidiría non votar e un 10,3% afirmou que non sabe ou preferiu non respostar. Nesta enquisa o CIS non ofreceu estimación de voto e só dá estes datos de intención directa de voto. As tendencias que marca o CIS semellan non deparar chan electoral para un PP en caída libre que na Galiza xa perdeu a súa hexemonía As tendencias que marca o CIS semellan non deparar chan electoral para un PP en caída libre que na Galiza xa perdeu a súa hexemonía nas urnas nas eleccións xerais do 28 de abril, deixando de ser a forza máis votada na Galiza. Pasou entón do 41,53% do apoio do electorado no 2016, a deixar polo camiño tres actas e ficar só con nove escanos e o 27% dos apoios. Nas europeas tamén deixou de ser primeira forza e voltou ficar en segunda posición tanto no Estado (20,13% de apoios), como na Galiza con (29,81%). O duro revés das municipais deixa o PP sen alcaldías en ningunha cidade galega (falta por ver que acontecerá en Ourense) e cun importante retroceso en votos e alcaldías en toda Galiza. Nas europeas tamén deixou de ser primeira forza En canto á formula de goberno do Estado, o 38,2% entende que debería gobernar o PSOE e de forma maioritaria (o 45% das persoas entrevistadas) optan preferentemente por unha coalición. Dese 45% que quere un acordo, a metade apostaría por un goberno de Sánchez con Unidas Podemos, querendo un 16% contar tamén no pacto coa forzas soberanistas e un 34% co apoio das mesmas desde fóra. Por contra, a opción dun goberno de coalición entre PSOE e Ciudadanos só é apoiada polo 24,5% de quen aposta por un executivo compartido. Pablo Casado e Santiago Abascal son os líderes menos desexados A enquisa tamén pregunta sobre a valoración de liderados. Neste caso o ultradereitista Santiago Abascal é o peor valorado con 2,6 puntos, seguido moi de perto por Pablo Casado cun 3,2. As opcións polas que apostan as persoas enquisadas polo CIS son maioritariamente Pedro Sánchez cun nota de 5,1, Pablo Iglesias co 4,2 e Rivera cun 4.
NOS_25112
Nunha primeira valoración de urxencia, a dirección da formación nacionalista sinala que cos resultados do 24M "o BNG consolida posicións e recupera claramente o papel de terceira forza política no noso país".
A Executiva Nacional do BNG realizou nesta segunda feira unha primeira avaliación de urxencia dos resultados das eleccións municipais que decorreron este domingo, unha análise que sintetizan en seis puntos e no que falan duns resultados "dignos" mais que, recoñece, "non son satisfactorios". A Executiva parte do mapa que sae das urnas: 189.106 votos, 468 concelleir@s, 12,9% dos sufraxios, maioría absoluta en 13 concellos, con maioría noutros 4 e con probabilidade aritmética de atinxir a alcaldía noutras 10. A isto engade presenza nas 4 deputacións ("en 3 delas de xeito significativo"). Con todos eses dados sobre a mesa, a EN considera que "o BNG consolida posicións e recupera claramente o papel de terceira forza política no noso país". Lembra este organismo que os obxectivos fixados para estes comicios polo Consello Nacional eran os resultados das eleccións ao Parlamento da Galiza de 2012 (145.389 votos e unha porcentaxe do 10,16%). Porén, recoñece, non pode falarse duns resultados satisfatorios para o BNG. A Executiva Nacional centra neste punto o seu foco atención nas cidades, "agás Pontevedra", que " confirma a necesidade de mellorarmos os métodos de traballo político, especialmente nos espazos urbanos". Mapa político propio e pactos O único elemento que permite a existencia dun mapa político propio en Galiza é o BNG, reflexiona a Executiva Nacional, cuxa presenza no proceso electoral "confirma que o pobo galego existe". "Unha expresión política propia: o BNG-Asembleas Abertas, con presenza institucional en todas as comarcas da nación. O nacionalismo galego é, pois, un axente político significativo e imprescindíbel na Galiza. Nesta análise tamén se afirma que a posición de voto dos representantes do BNG-Asembleas Abertas na conformación das novas corporacións locais "será contrastada colectivamente, contando cos criterios local, comarcal e nacional, sen pactos nacionais mecánicos ou a calquera prezo, como ten previamente avaliado o Consello Nacional". Agradecemento e apoio O recoñecemento "polo inmenso traballo desenvolvido pola militancia do BNG, así como por todas aquelas persoas simpatizantes e adherentes ás asembleas abertas" nesta campaña e "unha mensaxe de ánimo e fortaleza" son outros dos puntos do comunicado
NOS_17980
Un triunfo significaría subir dous postos na táboa
A xornada 12 da Liga Guerreiras Iberdrola de Balonmán comezou cun encontro entre O Porriño e Morvedre, collendo a remuda un Atlético Guardés que afronta o seu segundo compromiso ligueiro logo de deixar atrás unha longa parada de case dous meses provocado pola disputa do Mundial e as vacacións de Nadal. Deste modo, as xogadoras do conxunto dirixido por José Ignacio Prades agardan repetir o triunfo logrado ante, precisamente, Morvedre (30-21), aproveitándose así da inercia positiva no choque deste sábado (20 horas) ante Handbol Sant Quirze. O obxectivo que se marcou o vestiario é claro: gañar todos os puntos que quedan en xogo até o final da primeira volta. Pero antes de correr hai que andar, e coa vitoria da semana pasada xa no peto o equipo miñoto está enfocado en volver gañar na casa antes de pensar en viaxar a Málaga e no Saúde Tenerife. Pasiño a pasiño. O seu obstáculo máis inminente, o Sant Quirze dirixido por Dolores Martín, é unha escuadra recentemente ascendida que ocupa a penúltima posición da táboa con tan só tres puntos. Porén, a pesar da situación clasificatoria preséntase como un rival perigoso polo seu balonmán descarado e atrevido, acorde co espírito dun cadro de xogadoras moi novo, cunha idade media por debaixo dos 25 anos e que ten, polo tanto, unha enorme marxe de mellora. Con todo, e sen menosprezar o rival, as profesionais do cadro guardés están concentradas en si mesmas, e agardan poder aproveitar a vantaxe que supuxo comezar a adestrar unha semana antes que o resto de equipos. Nesas sesións preparatorias, Prades, que tivo á súa disposición a todas as xogadoras coa única dúbida de Lorena Pérez e as lesionadas de longa duración Hannah Nunes e Tamires Anselmo, mostrouse moi esixente. Un novo triunfo serviría para continuar o axexo do quinto e o cuarto posto, que actualmente ocupan Aula Valladolid e Costa do Sol Málaga, cun só punto máis conxunto miñoto e que esta fin de semana non xogarán, pois os seus encontros foron adiados, polo que as do sur da Galiza están ante unha oportunidade inmellorábel de escalar na clasificación.
NOS_55508
O que arde, terceira longametraxe de Oliver Laxe (París, 1982), engade un novo galardón ao seu palmarés: o Premio ao Mellor Deseño de Son no Chicago Film Festival.
O que arde, o último filme do cineasta galego Oliver Laxe despois de Todos vós sodes capitáns e Mimosas, vén de facerse co Premio ao Mellor Deseño de Son no prestixioso Chicago Film Festival. Esta distinción súmase ás conseguidas previamente nos festivais de Cannes, Donostia e Ourense, converténdoa xa nunha das cintas galegas máis galardoadas de todos os tempos. O que arde, distribuída por Numax, é tamén un dos filmes galegos con máis estreas en cinemas comerciais da historia, exhibíndose en 19 salas das sete cidades galegas, así como de Carballo, Monforte de Lemos, Vilagarcía de Arousa, Viveiro, A Rúa, Verín, As Pontes, A Estrada e Caldas de Reis.
NOS_9803
Corenta novos contaxios nas últimas 24 horas. Galiza xa é o quinto territorio do Estado con máis número de persoas infectadas nun só día, só superada por Catalunya, Madrid, País Valenciá e Castela-León.
A comezos da epidemia, demostrouse unha maior resistencia á enfermidade, cunhas taxas de infección na Galiza moi inferiores ás do conxunto do Estado, mais a tendencia mudou de maneira evidente nas dúas últimas semanas. Segundo os datos fornecidos polo Ministerio de Sanidade, a media acumulada de casos nos últimos 14 días na Galiza é de 50,90 por cada 100.000 habitantes. O ritmo de descenso do número de casos por coronavirus tamén foi menor nas dúas últimas semanas. Así, a Consellaría de Sanidade recoñece 226 persoas hospitalizadas en planta e 37 en UCI, uns números que non presentan cambios significativos desde hai días e que apuntan a un estancamento nas recuperacións. "Estase baixando o número de persoas internadas en planta ou en UCI pero isto non quere dicir que o problema remate. Feixoo está creando falsas expectativas sobre a evolución da pandemia, poñendo por diante os seus intereses electorais e económicos por riba da saúde da xente", sinala a Nós Diario María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, sindicato maioritario no sector. O labor da Atención Primaria é decisivo no control da enfermidade e no seguimento das doentes confinadas "De normalidade nada, todo é anormal neste momento no funcionamento do sistema sanitario. Hai falla de medios para facer fronte a determinadas situacións e ademais as consultas non son presenciais", declara a Nós Diario Xosé María Dios, médico de atención primaria no centro de saúde de Outes. "Feixoo está preparando o caldo de cultivo para o levantamento de estado de alarma tendo en conta que o precisa para convocar as eleccións e neste sentido explícase o seu discurso sobre a normalidade sanitaria", conclúe o tamén secretario de SOS Sanidade Pública, convencido de que Galiza continúa nunha situación de emerxencia sanitaria. Persoal sanitario consultado por Nós Diario non se amosa optimista sobre a evolución da epidemia e amósase preocupado pola falla de medios do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para responder diante dun novo brote. "O sistema non está preparado para responder a unha nova fase da pandemia. O aumento de camas de hospital e de prazas de UCI é necesaria pero o fundamental é contar con máis persoal para facer fronte á situación", indica Abuín, que demanda "formación específica en materia de coronavirus para as sanitarias e máis medios de protección". Atención Primaria ao límite Manuel Martín, médico de Atención Primaria e portavoz de SOS Sanidade, considera que os recursos do Sergas son insuficientes para facer fronte ao escenario provocado polo coronavirus. "O propio Feixoo recoñeceu que os recursos non eran suficientes cando decidiu erguer dous hospitais de campaña nos momentos máis críticos da epidemia. Esta decisión foi consecuencia das políticas de retallos da Xunta da Galiza, que deixou en mínimos o sistema público", indica Martín a Nós Diario, mentres crítica que "o Goberno galego vai facer 100.000 tests do coronavirus pero exclúe as traballadoras da sanidade, que son un dos sectores da poboación máis sensíbeis a doenza". A media acumulada de casos nos últimos 14 días na Galiza é de 50,9 por cada 100.000 habitantes As traballadoras e traballadores da Atención Primaria desenvolven un papel chave no combate contra a pandemia. O seu labor é decisivo no control da enfermidade e no seguimento das doentes confinadas nos seus domicilios, evitando coa súa actuación o colapso do sistema hospitalario. O Goberno galego prevé dotar estes sanitarios de máis tarefas e competencias nesta nova fase da pandemia e de cara ao futuro, significándose as súas competencias en materia de detención de novos casos e na atención ás usuarias dos centros de maiores. Porén, os retallos aplicados pola Xunta de Galiza nos últimos anos dificultan o seu traballo. "A Atención Primaria precisa de máis medios para poder facer fronte a todas as probas de diagnóstico necesarias para vixiar as persoas contaxiadas e para facerse cargo da xente das residencias", destaca Manuel Martín. Nun sentido semellante, Xosé María Dios salienta a "precariedade da Atención Primaria, que nos obriga a tratar moitos días a 30 pacientes diarios". Residencias: no punto de mira Os centros de maiores seguen no punto de mira do coronavirus. A data de onte declarábanse 742 contaxios, 487 deles de residentes e 255 de traballadores e suman 259 falecementos, o que representa 44,9% do total das vítimas mortais pola pandemia na Galiza. A letalidade rexistrada nas residencias é desigual, concentrándose a súa práctica totalidade nos xeriátricos de xestión privada. A este respecto, María Xosé Abuín considera que "a Xunta quere dar a sensación de que xa pasou o peor para non ter que avaliar nin intervir as residencias". "A política de Feixoo onde tivo gran responsabilidade na expansión do coronavirus é nos centros de maiores. É el que privatiza a xestión de moitas residencias, entregándollas aos grandes operadores privados controlados polos fondos voitres, como acontece con DomusVi. Precisamente nestes complexos residenciais privados é onde a epidemia ten máis virulencia", comenta Manuel Martín, que demanda unha maior participación da comunidade sanitaria na elaboración do novo modelo de xeriátricos que está a debater a Xunta. Galiza demostrou maior resistencia á enfermidade mais a tendencia mudou nas dúas últimas semanas Francisco Vizoso, médico e un dos voceiros da Alianza Galega polos Servizos Sociais Públicos para Maiores e Dependentes, denuncia en declaracións a Nós Diario que "malia o acontecido, as ratios seguen sen cumprirse nas residencias, onde usuarias e traballadoras sofren unha situación de penuria" e demanda "unha nova política de persoal que poña fin á precariedade e lles outorgue a debida formación". "A situación das residencias privadas non é para nada de normalidade", afirma Vizoso, que considera necesario "un reforzamento da Atención Primaria para garantir unha mellora da asistencia necesaria do persoal residente. E aí é fundamental un compromiso orzamentario real da Xunta coa sanidade pública". Xoán Carlos Ansia, gobernante da residencia pública Volta do Castro de Compostela e delegado da CIG no comité de empresa de Política Social da Coruña, indica que "a situación sigue igual. A Xunta non toma ningunha medida e desde logo que non estamos preparados para outra caída forte de coronavirus. A única medida é preparar habitacións para futuros illamentos". "Quérennos calar cunha esmola de 85 euros na nómina que compense as xornadas de traballo polo coronavirus, pero do que se trata é de ampliar os cadros de persoal", conclúe.
NOS_13120
"A Xeración Nós-outr@s" é o título da IV Xornada de Literatura e Ensino organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega en colaboración coa AELG que se desenvolverá o vindeiro 18 de outubro na Cidade da Cultura. O obxectivo, unha mirada en feminino sobre a nosa literatura.
"É posíbel construír outra historia da literatura galega?" é unha das preguntas ás que pretende responder o curso "A Xeración Nós-outr@s", que ao longo do día 18 de outubro acollerá o Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura. "A Xeración Nós-outr@s" é o título da IV Xornadas de Literatura e Ensino organizadas en colaboración coa Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega que ten, entre outros obxectivos, a visibilización da creación literaria feita por mulleres. "Valorar a literatura galega, a través das diferentes voces das mulleres, construtoras de pensamento e expresión literaria, como unha ferramenta clave para a adquisición das competencias básicas", é outro dos fins que busca o curso que achegará tamén, por medio do obradoiro, á experiencia literaria en primeira persoa. A xornada comezará ás 9.30 horas coa conferencia de María Xesús Nogueira titulada "É posíbel (ou necesario) construír outra historia da literatura galega?" á que seguirá a primeira mesa redonda do curso que abordará os imaxinarios narrativos para o século XXI da man das escritoras Rosa Aneiros, Berta Dávila e Inma López Silva. A seguir, María Canosa, Ledicia Costas e Estíbaliz Espinosa serán as protagonistas de dous obradoiros literarios, un á mañá e outro á tarde, antes de que outra mesa redonda convoque a Rebeca Baceiredo, Montse Dopico e María Reimóndez co tema "O pensamento escríbese con –As (o ensaio no século XXI). A lectura das conclusións porá fin á xornada. Máis información e matrícula no seguinte enlace.
NOS_28486
"Un home valente e coherente, que soubo extraer o imprescindíbel da súa existencia musical e escolleu sonoros riscos de humor para amenizar o discurso". Así describe Xavier Alcalá a Xoán Rubia no prólogo do libro Pasaba por alí. E quedei un intre (Galaxia). Nel, o cantautor mugardés recolle as vivencias da súa fonda traxectoria musical.
Como nace a idea de confeccionar o libro? O proxecto xorde por unha casualidade, como case sempre acontece coas cousas da vida. Encargáranme un artigo para a revista Grial no que comentase a miña estadía e a miña chegada a Compostela no ano 68, con todas aquelas historias convulsas e movementos estudantís. Escribín o artigo e ao cabo dun mes recibín unha chamada da editorial coa proposta de poder escribir a miña experiencia desde que entrei en contacto por primeira vez coa música e como se foron sucedendo os acontecementos a partir de aí. Collino con certo temor, xa que sempre é complexo falar de si mesmo, e fun na procura de contar cousas que vivín directamente. Foi así, púxenme a escribir e xurdiu esta posibilidade, coa que estou moi contento. É algo que queda aí, non pola importancia que poidan ter as miñas anécdotas dentro dese contexto, senón polo interese que tiña en contar un tempo de historia. Eran tempos complexos e non foi un camiño de rosas para aqueles que estabamos inmersos no que entendiamos como Nova Canción Galega, co fin de dar un pulo á cultura e ao idioma galegos. Interesábame que quedase reflectido e penso que así foi. Recolle boa parte da súa traxectoria musical, non? Si. Tentei que quedase o máis clara posíbel toda esa evolución e todos os avatares e dificultades que vas superando a medida que transcorre o tempo. Desde gravar os nosos primeiros discos en Edigsa até facelo, a nivel persoal, con Philips e máis tarde con Zafiro-Novola. A posibilidade que tivemos de gravar en Edigsa non foi máis que polo contacto que houbo entre o nacionalismo galego e o catalán. Alí gravábase a Nova Cançó Catalana, levaban un tempo traballando con ese interese e editando os discos dos cantautores cataláns. Logo, nos anos 68 e 69 xorde a Nova Canción Galega e alí estabamos, acollidos pola compañía en Barcelona. Que papel xogou a Nova Canción Galega? O certo é que non estabamos inventando nada. Mirámonos no espello no que os cataláns xa o estaban a facer, reflectíndose ao mesmo tempo no que acontecía en Francia. Pensamos que ese modelo podía ser práctico para a Galiza e iso foi o que fixemos. Ese foi o comezo da aventura. A representación máxima daquel movemento naquel tempo foi o grupo que se deu en chamar Voces Ceibes. Como evolucionou o eido musical desde entón até a actualidade? Cantar en galego naquel momento xa era complexo. Estabamos nun tardofranquismo no que había certas tendencias a ser un pouco máis permisivos, pero cantar en galego enfadaba as autoridades. Sobre todo, cantar letras que puidesen ter incidencia en espertar conciencias que estaban máis ou menos aletargadas, era case subversivo. Trato de mostrar as loitas que tiñamos coa censura, como se montaba todo para superar os atrancos. O meu interese particular era poder expresarme e facer canción en galego, tentar polo á altura do castelán. Que a música galega tivese un oco na divulgación e que se escoitase. Se o conseguimos ou non xa é outra historia. Eu penso que non acadamos unha implantación na xente como era desexado, debido ás circunstancias e a unha difusión moi precaria. Que supuxo un alicerce para o que veu despois? Sen dúbida. Ten algún outro proxecto pensado para un futuro? Agora hai que deixar paso á nova sabia, á xente que vén con forza. Boto de menos, no que se refire a cantautores galegos, que non haxa un movemento que lle dea pulo á Canción Galega. Neste momento, teño unha grande ilusión de ver o libro rematado. Gustaríame darlle un novo pulo aos poemas de Lorca que musiquei hai anos. É un proxecto que a pandemia freou e que, cando se vaia normalizando a situación, chegarei a abordalo.
PRAZA_5324
O INE publicou este martes os datos actualizados da Estatística de Sociedades Mercantís. En febreiro creáronse en Galicia un 6% menos sociedades que no mesmo mes do ano pasado e apenas un 4% das creadas en toda España.
O INE publicou este martes os datos actualizados da Estatística de Sociedades Mercantís. En febreiro creáronse en Galicia un 6% menos sociedades que no mesmo mes do ano pasado, un total de 363, o que representa apenas un 4% das creadas en toda España. Fronte ao descenso experimentado en Galicia, no conxunto do Estado creáronse un 3,7% máis empresas que hai doce meses. O número de sociedades creadas en Galicia supera en moi pouco ás constituídas en comunidades autónomas cunha poboación moi inferior, como Canarias (357), Euskadi (341) ou Murcia (286). En Galicia tamén decreceu o número de sociedades disoltas, un total de 137, un 42% menos que en febreiro de 2013. Neste caso, esta cifra representa o 6,45% do total estatal e o número de disolucións en Galicia achégase aos de autonomías moito máis poboadas, como a Comunidade Valenciana (194) ou Catalunya (227). As cifras dos últimos meses apuntan a un estancamento do ritmo de creación de empresas en Galicia. Nos anos 2010, 2011, 2012 e 2013 superáronse escasamente as catro mil sociedade constituídas en Galicia, moi lonxe das máis de seis mil que se creaban entre 2004 e 2007, e a tendencia nos dous primeiros meses de 2014 é mesmo descendente. Mentres, en 2013 superouse o récord de empresas disoltas, acadando a cifra de 1.928, ao redor do dobre que cinco anos antes. A tendencia nos primeiros meses de 2014 é, iso si, descendente tamén neste campo. Unha mostra do escaso dinamismo da economía galega. En Galicia destruíronse en 2013 uns 40 mil postos de traballo e o número de persoas sen emprego, unhas 275 mil na actualidade, é superior en 110 mil persoas ao número de parados e paradas que se rexistraba en 2009. Este descenso na actividade afectou sobre todo aos máis novos e novas. En 2009 había 216.200 menores de 25 anos ocupados, case o dobre que neste momento. 00 01 02 03 04 05 06 07 08 09 10 11 12 13 Sociedades constituídas 5.183 4.788 4.997 5.485 6.040 6.457 6.998 6.678 5.425 3.836 4.040 4.086 4.143 4.285 Sociedades disoltas 378 385 428 558 651 747 756 1.007 1.022 1.134 1.342 1.466 1.715 1.928 Sociedades mercantís constituídas e disoltas anualmente en Galicia entre 2000 e 2013. Fonte: INE
NOS_56106
Varias persoas criticaron este erro nas redes sociais.
Este sábado decorreu na cidade de Santiago de Compostela o desfile de entroidos tradicionais da Galiza, unha cita que serve para promocionar unha das festividades máis importantes do país lonxe dos lugares nos que cada ano se celebran estes entroidos. Como será o Entroido 2022 na Galiza? Estas son as novas restricións As rúas do centro histórico de Santiago e a Praza do Obradoiro enchéronse de curiosos e curiosas que querían ollar os cigarróns de Verín, os follateiros de Lobios, os galos da Mezquita ou as pantallas de Xinzo de Limia, entre outros, realizar o percorrido deseñado para o desfile. As pantallas de Xinzo de Limia foron protagonistas especiais deste evento, mais non só pola súa peculiar forma. A Xunta de Galiza, a través da conta de Twitter de Turismo da Galiza, estaba a cubrir o desfile con imaxes e vídeos. Ao compartir un vídeo das pantallas de Xinzo, cometeron un erro que non pasou desapercibido para varios usuarios e usuarias das redes sociais. O Domingo fareleiro inicia un Entroido de transición "Seguimos ao Entroido de Viana do Bolo no seu desfile polas rúas de Santiago de Compostela!", sinalaba Turismo da Galiza, xunto cun vídeo das pantallas de Limia. A pesar de que varias persoas sinalaron o erro, no momento de escribir esta información, Turismo da Galiza aínda non rectificou o chío. Reaccións nas redes No momento no que a Xunta subiu este chío ao Twitter, foron varias as reaccións que sinalaban o erro e o descoñecemento da realidade cultural da Galiza. O drama da desprotección do patrimonio cultural tradicional galego "Mimá! 'Turismo de Galicia' da Xunta, non sabe que esas son pantallas e son do Entroido de Xinzo", sinalaba unha usuaria da rede social. Outro usuario criticou que "desde a Xunta nin sequera saben diferenciar os Entroidos de Galicia". Precisamente, o Entroido de Xinzo de Limia está considerado como Festa de Interese Turístico Internacional, despois de que o concello conseguise obter esta declaración en 2019.
NOS_15073
A propiedade e os bens inventariados xa son propiedade pública após 82 anos en mans da familia Franco. Malia que este traspaso é provisional á espera da sentenza definitiva, celebrouse este paso cara a recuperación para o patrimonio público.
"É un día que deixa unha sensación de xustiza histórica". Con estas verbas resumía a avogada xeral do Estado, Consuelo Castro Rey, a entrega do pazo de Meirás e os bens que garda no seu interior ao patrimonio público. A letrada fixo estas declaracións esta mañá despois de que se tomara posesión oficialmente destes bens situados no municipio de Sada. Após 82 anos en poder do ditador e da súa familia, o pobo recupera o inmoble. Polo momento o cambio de mans é provisional, pois a familia Franco recorreu a decisión do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, que ordenou a devolución. Falta a sentenza definitiva pero houbo moita xente que quixo ser testemuña directa do acto simbólico no que a xuíza Marta Canales entregou as chaves, que foron depositadas onte nas dependencias xudiciais da Coruña. A sinatura do documento que deixa constancia da entrega fíxose despois de que un equipo técnico da Xunta -o que realizou o inventario de bens e detectou case 700 pezas de interese público- verificara que todo estaba en bo estado de conservación, ao igual que cando se practicou a investigación. En calquera caso, a Avogacía do Estado quixo aclarar que hai dous bens que están no inventario pero que non son dos que reclamaron as administracións públicas. Trátase da Casa das Conchas e un hórreo anexo ao inmoble. Tamén haberá 20 días de prazo para entregar os bens que si deben ser para os Franco. O simbolismo do día Aliás o momento de entrega das chaves, un dos momentos máis emotivos foi quizais a comparecencia ante os medios. Nela, na que a avogada xeral do Estado falaba de "xustiza histórica", tamén participaron a subsecretaria do Ministerio de Facenda, María del Pilar Paneque, e os letrados do Estado que presentaron a demanda xudicial contra os achegados do ditador, Javier Suárez e Adela Álvarez. Sobre a entrega, Consuelo Castro destacou que "no Día Internacional dos Dereitos Humanos" ten unha "significación en termos de memoria democrática". "Son galega, sei o que significa para min", engadiu. A respecto do interior do inmoble, asegurou que este acto "simbólico e histórico" deixou ver que é "evidente a presenza durante 40 anos dun réxime ditatorial", mais tamén reivindicou a figura da autora Emilia Pardo Bazán, a primeira dona do complexo. Foi no espazo da antiga biblioteca onde se asinou o documento oficial. A xurista felicitou ás e aos compañeiros que levaron a demanda. Non prevé que suceda o mesmo para que a Casa Cornide da Coruña regrese ao pobo porque o Estado non está "lexitimado". "Foi o Ministerio de Educación pero o último propietario foi o Concello", lembrou.
NOS_5861
Nos últimos días Evo Morales pediu aos seus simpatizantes que acepten a data, xa que seguir cos cbloqueos só beneficia ao Goberno de Áñez.
A presidenta interina de Bolivia, Jeanine Áñez, ratificou a lei que fixa como data límite para organizar as eleccións xerais o próximo 18 de outubro, en tanto que a Central Obreira Boliviana (COB) cualificou de "traizón" a decisión da Asemblea Lexislativa de aprobar a norma pois "non se acordou co pobo boliviano". "A COB e o Pacto de Unidade [alianza nacional de organizacións de base] nunca traizoaron e xamais van traizoar o seu pobo. Hoxe sufrimos unha traizón e iso téñeno que coñecer o pobo e os mobilizados. Esta lei xamais se acordou connosco, nin co pobo boliviano", denunciou o secretario executivo da COB, Juan Carlos Huarachi. A COB, principal sindicato boliviano e afín ao Movemento ao Socialismo (MAS) do ex presidente Evo Morales, propuxera nas últimas horas acabar coas mobilizacións que teñen bloqueadas as principais vías de acceso ás cidades do país desde hai máis dunha semana de se adiantaren ao 11 de outubro. Sindicatos, agrupacións mineiras e movementos sociais organizaron protestas polo adiamento das eleccións para o 18 de outubro, despois de o Tribunal Supremo Electoral (TSE) retractarse tras aprobar nun primeiro momento que a data sería o 6 de setembro. Entón, os partidarios de Morales denunciaron que se trataba dunha estratexia do Goberno interino para evitar o triunfo e desgastar o candidato do MAS, Luis Arce, favorito nas enquisas previas á pandemia da Covid-19. "Non beneficiar a Áñez" Porén, nos últimos días Morales pediu aos seus simpatizantes que acepten o 18 de outubro como data última. "Hai compañeiros que din que polo menos sexa o 4 ou o 11 de outubro, mais non o 18. Eu pregúntome, para que estar a pelexar por unha semana?", defendeu nun encontro con mozas e mozos por Facebook Live. Ademais, advertiu de que seguir con esta postura só beneficia ao Goberno de Áñez que "non quere que se resolvan os bloqueos" e así seguir culpando o MAS da crise. Pola súa banda, a presidenta interina de Bolivia sinalou durante a sinatura da lei electoral nun pequeno acto celebrado no Palacio Nacional que se trata dun novo paso para unha "segunda pacificación" do país e sinalou que tras este acordo os bolivianos están a pór por diante "a democracia á ditadura" e "o diálogo ao bloqueo".
NOS_36563
O deputado nacionalista Néstor Rego avanza os "retos que temos como país e asumimos como BNG" de cara ao próximo curso político e confía en que Ana Pontón finalice o seu período de reflexión disposta a "seguir á fronte" da formación.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, asegurou "respectar" a decisión da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, de abrir un tempo de reflexión de cara á próxima Asemblea Nacional da formación frontista. En resposta ás preguntas dos medios no marco da rolda de prensa que ofreceu na cuarta feira, o deputado nacionalista puxo de manifesto, en relación a Pontón, que "á hora de asumir unha reponsabilidade dese calibre, é normal que queira avaliar todos os aspectos". "O BNG é unha formación política que coñeceu un crecemento do apoio social e un proceso de recuperación que o situou como segunda forza política. Unida e con capacidade de intervención social e política. Capaz de marcar a axenda deste país". A militancia tivo un papel activo nese proceso, declarou, "ao igual que a portavoz nacional". Néstor Rego sinalou a Asemblea Nacional como unha oportunidade para fixar liñas de traballo e o equipo que o debe liderar. "Estou convencido de que a persoa idónea e a máis indicada para encabezar esta nova etapa do BNG" é Ana Pontón. E se a súa reflexión conclúe "como todos e todas desexamos e confiamos na súa disposición a continuar á fronte do BNG, estou convencido de que gozará da unanimidade do apoio da militancia para liderar os próximos desafíos", concluíu antes de apuntar un entre todos: "mudar o rumbo do país", e polo tanto o seu Goberno para atender os intereses da Galiza. Un ano "intenso e decisivo" Na rolda de prensa, Rego vaticinou que este novo curso político será "intenso e decisivo" para a Galiza. Neste sentido sinalou como cuestión principal atender os problemas sociais e de investimento do país, polo que unha das primeiras iniciativas do deputado nacionalista será exixir o cumprimento do acordo de investidura asinado en xaneiro de 2020 co Goberno do Estado, "un compromiso con todas as galegas", dixo. Ese documento é chave para o desbloqueo de moitos dos problemas que espera poder resolver, como o atraso en infraestruturas, nomeadamente ferroviarias, a respecto do resto de territorios do Estado. Mais tamén en materia de tratamento. Rego exixirá o mesmo que reciben Euskadi ou Catalunya. E para iso apela á comisión de seguimento que ha de velar por outros avances en traspaso de competencias, política lingüística ou xulgados de violencia de xénero. Orzamentos do Estado A "proba de lume" para marcar un trato diferente e máis xusto con Galiza serán os Orzamentos Xerais do Estado tras a "discriminación" dos presupostos de 2021 que supuxeron unha mingua para o territorio de 11% fronte á suba xeneralizadas de 50% para o conxunto das autonomías. "Se o ano pasado fixamos o limiar en 1.000 millóns de euros de orzamento para Galiza -recibiu 832- para este ano o obxectivo ha de ser maior para recuperar e compensar ese déficit". Neste sentido Rego dixo esperar unha "actitude diferente" por parte dos socios de Goberno, PSOE e Unidas Podemos, para buscar o diálogo e o entendemento. Fondos Next Generation O deputado nacionalista referiuse tamén á repartición dos fondos europeos para a recuperación para defender un reparto xusto e descentralizado, baseado en criterios "coñecidos e avaliábeis" que non deixen a Galiza sen as cantidades que merece. Así denunciou que os 441 millóns asignados representan unha perda ao non ter en conta, sequera, a poboación galega, nin a dispersión, o envellecemento ou a carencia de servizos públicos. Rego fixo fincapé nas políticas sociais que deben mudar a garantía de dereitos fundamentais para o conxunto da cidadanía. Así, enumerou unha serie de compromisos pendentes como a derrogación da reforma laboral ou da lei mordaza. Avogou por traballar na defensa dun "novo modelo de xestión da produción eléctrica" e reiterou o compromiso do BNG para seguir a reducir as peaxes das autoestradas "até a súa eliminación.
NOS_19005
Non é a intención deste artigo falar en termos xerais da emigración galega aos Estados Unidos de América, senón daquela que afectou centenares de mariñeiros galegos polas consecuencias no sector do mar que tivo a crise económica ocasionada polo gran conflito bélico acontecido entre 1914 e 1918 entre as potencias mundiais.
O motivo principal da emigración de mariñeiros tivo a ver coa falla de materia prima que encareceu o transporte ferroviario, provocando outros efectos colaterais como a venda de barcos pesqueiros a Francia ou Rusia. Na Galiza, vilas mariñeiras como Bueu, Carnota, Muros, Oleiros, Sada, Boiro e Ribeira son os focos máis importantes de emigración aos Estados Unidos no período que vai de 1917 até a guerra civil española. As pegadas destes movementos transoceánicos van ser moi xeneralizados noutras localidades mariñeiras da Galiza, como Marín e Redondela. A orixe principal tivo que ver coa carencia de carbón e outras materias primas que van experimentar un sobre custo pola contenda da I Guerra Mundial en Europa, engadindo a esta circunstancia os graves problemas de abastecemento provocados polo conflito. Esta situación xerará desde o mes de maio de 1916 unha contundente folga no sector pesqueiro que durará varios meses. O 24 de febreiro os armadores de Vigo e Marín comunicaron ao Goberno do Estado que só tiñan carbón para 15 días, tendo que amarrar 400 embarcacións e deixar no paro milleiros de mariñeiros e obreiros que traballan no sector. A falla de recursos materiais afectou a todos os resortes económicos e sociais, como a interrupción en marzo do servizo do vapor "Farruco" entre Vilagarcía e Ribeira. En abril, unha comisión de armadores da Galiza acudía a Madrid solicitando que o Goberno actuase para abaratar a adquisición do carbón. A industria pesqueira na Coruña afundíase a comezos dese mes e Vigo empezaba a notar a escaseza de traballo, provocando a convocatoria dunha manifestación o día 7, anunciando que sería secundada tamén en Marín e Pontevedra. O 11 de abril outra concentración congregou na vila do Morrazo unhas 5.000 persoas, na súa meirande parte veciñanza dos barrios mariñeiros de Lourizán, Estribela e Cantodarea. Desemprego No mes de maio, o Goberno do Estado demostraba a súa incapacidade para lograr o abaratamento do carbón, sucedéndose o amarre dos barcos. A situación era tan insostíbel que no mes de decembro axentes do Goberno francés chegaron a Marín para adquirir sete embarcacións destinadas ao servizo de vixilancia, algúns vendéronse polo dobre da cantidade do seu custo, o que significou un alivio para os armadores, mais deixaba no paro varios centos de mariñeiros e obreiros. No mes de marzo de 1917, 18 pesqueiros da localidade eran vendidos a Portugal e Sevilla, deixando sen emprego máis de 500 persoas entre mariñeiros, maquinistas e fogueiros. Unhas semanas antes un continxente de afectados de Marín, entre os máis afortunados, marchou cara aos EEUU, porén os que non tiñan para pagar a viaxe víronse abocados á maior das miserias. Crecemento da colonia galega Xa en 1912 constatábase unha cativa presenza de mariñeiros galegos, vascos e do norte do Estado español nos Estados Unidos, que ben puideron facer o efecto chamada a familiares e amigos tras a crise. Se do porto de Vigo saíron 42 persoas a Nova York en 1915, a cifra subiu a 437 en 1917, que representaba o 8,15% da emigración que partira ese ano desde a zona portuaria olívica. Mais este tránsito non só se fixo de maneira legal, senón que aumentou co alistamento na mariña mercante como transporte para despois fuxir ao arribar nos portos ianquis. O volume de desercións era tan abafante que ás autoridades españolas non lles quedou outra que declarar unha amnistía para todos eles en 1919. Este primeiro movemento migratorio deixou un pouso para outras xeiras migratorias aos Estados Unidos que se espallarán nos anos seguintes. Pese a que Nova York levou a meirande parte do continxente mariñeiro e dos seus fillos, lugares como Miami, Filadelfia, Nova Jersey ou Boston tamén foron zonas de acollida para traballar principalmente na mariña mercante, outros na construción, como mecánicos, no comercio e na hostalaría. Após a crise estadounidense de 1921, volverían de novo as múltiples desercións dos barcos mercantes españois, que foron tan constantes en 1924 que medraron as denuncias e persecucións por parte das comandancias de mariña españolas. Instalados nos EUA, os galegos demostraron un constante afán solidario cos seus veciños, medio centenar de marinenses de Nova York fixeron unha subscrición en 1929 a prol dunha nena de Piñeiro, outros tantos redondeláns mandaron cartos á sociedade mariñeira da localidade para repartir entre os máis pobres do lugar no período do nadal e reis entre 1927 e 1931. O caso de Marín O padrón do concello de Marín de 1930, realizado tras o crack da bolsa neoiorquina, reflectía que 12% da emigración marinense residía nos EUA, a súa meirande parte na cidade dos rañaceos. Ademais os Estados Unidos representaban o segundo destino preferido pola veciñanza, momento no que empezaba a emerxer unha forte emigración mariñeira cara a Euskadi.
PRAZA_3140
No último meio ano, o jornalista chegou a ser publicamente ameaçado de prisão pelo próprio Bolsonaro e a ser agredido por um bolsonarista. Agora, o governo brasileiro apresentou denúncia contra ele. A base da acusação é um alegado delito contra a Lei de Segurança Nacional por espionagem.
Glenn Greenwald é mundialmente conhecido pela sua etapa no jornal britânico The Guardian e pelo seu protagonismo no caso Wikileaks, a maior revelação de segredos de estado realizada até agora. Porém, no Brasil é célebre sobretudo por ter fundado The Intercept Brasil, o jornal digital que tem virado o inimigo público número 1 de Jair Bolsonaro e do seu governo, que agora apresentou denúncia contra ele.Greenwald, que reside com seu marido no Rio de Janeiro, é um dos líderes de opinião mais influentes a nível global e uma das vozes que a imprensa internacional procura para obter informação veraz sobre a situação política brasileira. Este facto, unido ao seu posicionamento crítico a respeito do governo Bolsonaro, tem colocado com frequência o seu nome na berlinda: no último meio ano, para pôr apenas dois exemplos, chegou a ser publicamente ameaçado de prisão pelo próprio Presidente da República, Jair Bolsonaro, e a ser agredido por um jornalista bolsonarista durante uma entrevista concedida a uma emissora radiofónica também aliada do Bolsonaro; isso, por não falar nas incessantes campanhas homofóbicas orquestradas nas redes sociais contra ele e o seu cônjuge.No último meio ano, Greenwald chegou a ser publicamente ameaçado de prisão pelo próprio Bolsonaro e a ser agredido por um jornalista bolsonaristaTudo, por conta do seu trabalho jornalístico. E é que, desde junho de 2019, The Intercept Brasil vem revelando as obscenas intimidades da Operação Lava-Jato, a investigação judicial que serviu de suporte jurídico para o impeachment da Presidenta Dilma Roussef (PT) em 2016 e para a prisão do ex-Presidente Lula da Silva (PT) em 2018; e cuja repercussão mediática foi chave para encher as ruas das principais cidades brasileiras de milhões de pessoas a clamar contra a corrupção e contra o PT, além de pedir a destituição da Presidenta eleita.O grande protagonista da Operação Lava-Jato foi Sérgio Moro, então juiz e hoje ministro da Justiça no governo Bolsonaro. Após uma instrução cheia de vazamentos polémicos e cuidadosamente planejados, sempre tendo como alvo o Partido dos Trabalhadores (PT) e eludindo ou minimizando a acusação contra líderes de partidos da direita, a popularidade de Moro chegou ao auge com a prisão de Lula, ex-Presidente convertido em símbolo da divisão social brasileira: herói popular para uns, símbolo da corrupção para outros. Após ter prendido Lula, que desse modo foi impedido de concorrer às eleições presidenciais – nas quais era o claro favorito, segundo todas as pesquisas de opinião –, Moro aceitou ser o ministro do principal beneficiário dessa decisão, o militar aposentado e líder ultra-direitista Jair Bolsonaro. Foi o começo do fim da imagem de super herói imaculado que a imprensa conservadora lhe construíra, mas o certo é que Moro manteve um alto índice de aprovação apesar desse primeiro arranhão.O pior para ele estava para chegar, e é aí que entram Greenwald e The Intercept Brasil. O jornal leva sete meses a divulgar uma série de artigos batizada como Vaza-Jato, na qual se expõem conversas privadas entre Moro e os promotores da Operação Lava-Jato e dos promotores entre si. Essas conversas mostram, sem sombra de dúvida, que Moro incumpriu grave e reiteradamente a imparcialidade que, como juiz, a Lei lhe impunha: não só beneficiou uma das partes, no caso a acusação contra Lula, senão que combinava com ela os movimentos a ser dados e até sugeria indícios de possíveis provas. Provas que, como se observa nas conversas entre os promotores, eram tão fracas que deviam ser fortalecidas mediante a ajuda da imprensa, criando um clima de convencimento geral da culpa do Lula, que por sua vez justificasse a sua condenação futura. Moro e os promotores da Lava-Jato, a começar pelo seu líder Deltan Dallagnol, começaram negando a veracidade das conversas; porém, quando se tornou evidente que essa linha de defesa só metia mais água na canoa, limitaram-se a dizer que se trata de conversas obtidas ilegalmente e a evitar pronunciar-se sobre o fundo do assunto. Algo que terão de fazer, caso o Presidente da Câmara dos Deputados, Rodrigo Maia, decida instaurar a CPI que foi solicitada em setembro do ano passado por 175 deputados. A Polícia Federal concluiu que "não é possível identificar a participação moral e material do jornalista Glenn Greenwald nos crimes investigados"O dano da Vaza-Jato a Sérgio Moro e aos seus aliados tem sido enorme, máxime após veículos de referência da imprensa brasileira nada suspeitos de esquerdismo (Folha de São Paulo, Veja) e internacional (El País, na Espanha) terem estabelecido parceria com o The Intercept Brasil para analisarem conjuntamente os dados e publicarem conjuntamente os resultados.O contra-ataque está servido: um mês após o começo das reportagens do The Intercept, foi preso o hacker acusado de ter invadido os telefones de Moro e dos promotores, e hoje encontram-se em prisão preventiva cinco pessoas acusadas de participar nos feitos. A operação policial contra os hackers foi apelidade Spoofing e nela apareceu, como era inevitável, o nome de Glenn Greenwald: a Polícia Federal, depois de analisar o material enviado pela promotoria, concluiu que "não é possível identificar a participação moral e material do jornalista Glenn Greenwald nos crimes investigados" e destaca a sua "postura cuidadosa e distante em relação à execução das invasões". O juiz instrutor decidiu não investigar Greenwald nem incluí-lo como indiciado, ao carecer de qualquer sustento para uma eventual acusação. Porém, de maneira surpreendente, nesta terça-feira a promotoria – dependente do ministro Sérgio Moro – apresentou denúncia contra ele. A base da acusação é um alegado delito contra a Lei de Segurança Nacional por espionagem.
PRAZA_6287
Vén de iniciarse a recollida de apoios para o manifesto da Marea de Vigo, un chamamento que busca a conformación para as eleccións municipais de 2015 dunha candidatura cidadá e unitaria da esquerda rupturista, como tamén se está a organizar en Barcelona, A Coruña e outras cidades e vilas
"Fronte aos nefastos recortes dos servizos públicos, fronte ás políticas que provocan o desemprego, a miseria e a emigración, debemos unirnos para dar unha resposta democrática e solidaria en prol da xustiza social (...) En Vigo, coma na Coruña e noutros moitos concellos de Galicia, cada vez máis homes e mulleres xuntamos as nosas forzas nunha gran Marea cidadá para mudar esta situación de caos e sufrimento, ata o punto de que podemos sentir que regresou a dignidade". Vén de iniciarse a difusión do manifesto da Marea de Vigo, un chamamento que busca a conformación para as eleccións municipais de 2015 dunha candidatura cidadá e unitaria da esquerda rupturista, como tamén se está a organizar en Barcelona, A Coruña e outras cidades e vilas. O texto alerta de que "Vigo está devalando nun proceso de frustrante decadencia" e denuncia que "o actual goberno municipal perpetúa a privatización da auga, dos transportes urbanos e de ría, dos servizos recaudatorios, dos aparcadoiros; de xeito que unha colosal masa de diñeiro que todos achegamos ás arcas municipais vai encher as andorgas de empresas privadas alleas a Vigo e a Galicia". Por ese motivo chama á organización da cidadanía e dos movementos sociais para "unhas eleccións municipais que deben servir para lograr un cambio radical". "Pularemos pola posta en marcha dun proceso asembleario, pola concreción dun programa común da esquerda rupturista e a convocatoria de primarias abertas para constituír unha candidatura unitaria" O manifesto preséntase con 72 asinantes iniciais, de xeito simbólico, aínda que a pasada semana xa superara esa cifra de apoios. A partir de agora buscará a recollida de sinaturas a través da súa web, sinalando que "de se obteren os apoios suficientes, pularemos pola posta en marcha dun proceso asembleario, pola concreción dun programa común da esquerda rupturista e a convocatoria de primarias abertas para constituír unha candidatura unitaria capaz de vencer os partidos do sistema e acadar o goberno municipal de Vigo". Reclama "un goberno laico e de xestión transparente, comprometido coa ecoloxía e a economía sustentábel, nun Vigo que volva ser motor de grandes cambios progresistas". E salienta que "tentaremos impedir, en confluencia coas opcións de esquerdas doutros concellos, que as deputacións provinciais sigan sendo niños de corrupción e nepotismo, ao tempo que propugnamos a súa desaparición". Reclama "un goberno laico e de xestión transparente, comprometido coa ecoloxía e a economía sustentábel, nun Vigo que volva ser motor de grandes cambios progresistas" O documento conta entre os seus primeiros apoios con Antonio Durán Morris, Carlos Barros, Xosé Antón Laxe Martiñán, Julián Hernández, Beatriz Suárez Briones, Waldino Varela, Antón Reixa, Xosé Luís Méndez Ferrín, María Pérez González, Gonzalo Navaza, Anxo Angueira, Iolanda Zúñiga ou Xosé María Álvarez Cáccamo. Fai un chamamento a que Vigo "sexa o centro dunha área metropolitana que converta a nosa comarca nun dos principais eixos do desenvolvemento social do país". "Queremos, antes que humanizar as rúas, humanizar as condicións de vida das persoas que se atopan na probreza máis extrema. Queremos rematar de vez coa especulación urbanística e os desafiuzamentos. Queremos que se promova e respecte a nosa lingua e a nosa cultura, agora mesmo maltratadas pola Xunta de Feijoo", destaca igualmente. "Requírense novas formas de organización e participación cidadá, capaces de activar unha revolución democrática para decidirmos nós, e non as elites de quenda, en que tipo de cidade queremos vivir" "Requírense novas formas de organización e participación cidadá, capaces de activar unha revolución democrática para decidirmos nós, e non as elites de quenda, en que tipo de cidade queremos vivir" -subliña- "Propoñemos ir rueiro por rueiro, barrio por barrio, parroquia por parroquia, para construír entre todas e todos unha política inédita que nos libere das vellas prácticas dos partidos do réxime". "Así, coa nosa forza colectiva e asemblearia, conseguiremos que a marea dos que non temos nada que perder e si todo que gañar asolague dunha vez estas beiras do Atlántico", conclúe. Le aquí o manifesto
NOS_46475
O director xeral da CRTVG asegurou na comisión permanente parlamentar sobre a corporación que o xefe de redacción da radio Galega "non é directivo" senón que o rebaixou a un "coordinador como hai tantos".
A columna que no ABC publicou o xefe de Redacción da Radio Galega, Luís Ojea, titulada "Carroñeiros da desolación" e na que deitaba grosas descualificacións sobre a multitudinaria manifestación do domingo contra os incendios e a Lei de Depredación de Galiza chegou ao Parlamento. BNG e En Marea levaron o asunto á reunión da comisión permanente da CRTVG que se reuniu esta cuarta feira. Sánchez Izquierdo, director xeral da Compañía de radiotelevisión de Galiza, non se desmarcou das declaracións de Ojea (ao que evitou referirse polo seu nome e si como "a persoa da que se está a falar"). Nin sequer as criticou ou lamentou. Limitouse a afirmar, en resposta a Vázquez Verao (En Marea) que Luis Ojea non era directivo da CRTVG, "é un traballador", e que el "non vai restrinxir a liberdade de dicir o que lle pareza" a un traballador. Cousa diferente sería, dixo, se esa persoa fose un directivo. Olalla Rodil (BNG) lembroulle que Ojea non era un simple traballador mais "un xefe de redacción da Radio Galega", e que así o recollía a propia cadea. A deputada nacionalista dixo que non era de estrañar a falla de pluralidade na RG á vista da "inquina" vertida polo seu xefe de redacción a respecto dos que non pensan como el. Na súa quenda de resposta, Sánchez Izquierdo reiterou que Ojea "non é directivo, non é redactor xefe, é un coordinador como hai tantos" na CRTVG. Incendios O director xeral defendeu a pluralidade da radio e televisión pública galega, indicando que os analistas e colaboradores dos programas fan parte dun abano "amplo e plural". Desde o BNG denunciouse na comisión a ausencia desa pluralidade, non só nos programas de debate e tertulias senón tamén no propio tratamento e presentación das informacións. "En Galiza hai un pluralismo que non se reflicte na CRTVG", reprochou Rodil. A cobertura dos medios públicos galegos da vaga de incendios tamén foi obxecto de debate nesta sesión da comisión. A oposición criticou unha cobertura que, denunciaron, non estivo á altura do que a situación requería. "Foi impresentábel", dixo Noela Blanco (PSdeG). A esta deputada o presidente da Comisión retiroulle a palabra por preguntar por unha cuestión (vaga de lume) que non era a que figuraba na orde do día. Mais Sánchez Izquierdo aproveitou na quenda de resposta para falar da cobertura dos lumes, sen que lle fose chamada a atención. A Branco negóuselle quenda de réplica, polo que os representantes do PSdeG na comisión abandonaron a mesma.
NOS_6296
Os primeiros días do mes de agosto na Coruña son un fervedoiro no que coinciden festas patronais e nos barrios, festivais e concertos de musica, eventos deportivos e, o que nos trae aquí, os festivais de banda deseñada. Si, en plural. Xenerosos como son na cidade onde, salvo Drake, ninguén é forasteiro organizan dous: o máis coñecido e maioritario Viñetas desde o Atlántico e o menos coñecido e moi interesante Autobán.
Para quen gozamos da banda deseñada hai unha cita marcada no calendario que divide o ano en dúas partes case iguais, unha fin de semana de catarse comiqueira. Así, pasamos a primeira parte do ano a agardar que chegue e a segunda a dixerir, ler, e, pensar con ansia na seguinte. Non poucas veces, os que andamos metidos nesta cousa da banda deseñada acoutamos o tempo dividindo como buscando facer divisións máis comprensíbeis que reduzan a agarda á metade, dicimos: "Tal cousa foi antes de viñetas ou tal outra despois do viñetas" e se subimos aínda un chanzo máis na militancia contracultural e vangardista xa falamos do Autobán de verán ou do de inverno, daquel ano que o foi na Nave 1839 ou daquel que foi na rúa Orzán. Confeso que, para min, a semana antes desta cita anual coa banda deseñada, orixinais, fanzines, autores e autoras, amizades e paseos arriba e abaixo pola rúa da BD parando en cada caseta, dándonos tempo para falar amodo coas moitas amizades que un pode atopar, son días de inquedanza e expectación, de desexar que chegue axiña a fin de semana, de ida longa e volta curta a cidade dos Cantóns, case coa mesma ilusión, tan inocente como urxente, dos días de Nadal das nosas infancias agardando a mañá de abrir agasallos. Nas rúas herculinas deste ferragosto coinciden os turistas, a xente dos festivais, a modernallada e a coruñesía posh e algúns que, non sendo turistas, stricto sensu, andamos tamén algo despistados calculando cantas veces máis grande é que Forcarei esta cidade que se nos fai inmensa e, algo, estresante. Como xa adiantei son dous festivais, tan variados como imprescindíbeis, tan distintos como complementarios: O Viñetas desde o Atlántico é o máis coñecido e maioritario, con moito apoio social, institucional e mediático. Un festival ao que lle temos que agradecer ter posto a banda deseñada galega no mapa, un dos máis asentados e populares da península e, agora, xa cumpridas as vodas de prata coa cidade, un dos máis coñecidos de Europa. O Viñetas é unha historia de éxito traballado coa constancia e o bo facer dos distintos equipos de dirección sempre comandados por Miguelanxo Prado e Carlos Portela: con humildade e cun proxecto honesto e moi concreto foron quen de medrar paseniño nun sector (o da BD) moi inquedo e importante no noso país, aínda que, como é evidente, sen a visibilidade –nin o apoio institucional– doutros do eido cultural. O Viñetas foi quen de facerse un espazo propio e, o máis importante, unha idiosincrasia propia afastada da mercantilización extrema e extremista doutros eventos que replican o corredor labiríntico dos almacéns suecos de mobles deseñados para aprehender incautos e incautas e incentivarlles o paroxismo consumista máis que para gozar dun día de cultura e arte con algunha compra seleccionada e libres de acoso mercadotécnico. Dentro do mundo da BD vir a Viñetas ten máis de convivencia que de exposición comercial, por iso ten máis de evento familiar, que de convención norteamericana, e esa é unha das fortalezas deste festival. Viñetas ten unha sede fixa, un centro de comando situado no paseo dos xardíns de Méndez Núñez. O Kiosko é o punto que ancora e vertebra todo o festival, onde se celebran as sesións de sinaturas e as charlas, onde un pode ver as figuras máis senlleiras da banda deseñada dedicando libros, paseando polas exposicións e alucinando cun festival pequeno nunha cidade pequena e periférica con moi poucos apoios institucionais. O Viñetas é un pequeno milagre que sobrevive discretamente, sen facer máis ruído do necesario mais que, non obstante, enche de xente, de cultura e de colorido a cidade; con toda probabilidade noutro país xa teríamos feito desta cita un elemento diferencial e potenciado con moitos máis investimentos, apoios e publicidade. Se hai unha palabra que defina esta cita atlántica coa BD é: familiar. Un festival que xa hai tempo que non é nin pequeno nin minoritario mais sempre soubo atopar o equilibrio preciso entre o masivo e festivo co seu distintivo carácter íntimo e recollido no que se mantén unha respectuosa devoción polo traballo e atención cos convidados e convidadas. Viñetas é a nosa reinterpretación do festival de BD, máis semellante á liña clara de Angoulême e moi afastada da exaltación mercantil e efectista das convencións norteamericanas que copian outras citas estatais. Manel Cráneo, editor e autor, destaca que "a nivel de vendas tivemos unha subida considerábel e este ano volvemos ao nivel pre-covid nunha edición na que o gran protagonista foi o público, cunha afluencia masiva", aínda que tamén lamenta que non se fixera unha edición de aniversario distinta. "Agardábase un 25 aniversario cun programa especial, quizais máis nutrido de novidades na programación, pero a tónica foi a de anos anteriores e con moitos convidados repetidos no cartel. Quizais fose algo buscado, pero non o esperado por moitos dos asistentes". A segunda cita, por xerarquía de idade non por importancia, é o Autobán, un evento con nome de autoestrada alemá, autoxestionado e que reúne o máis importante, fervente e alternativo desa corrente tan fresca, necesaria, contestataria e militante da banda deseñada e da cultura gráfica que agrupamos no contedor que é a autoedición. David Calviño, un dos participantes habituais que ven de poñer en funcionamento unha micro editora de fanzines, Baixo terra edicións, asegura que: "a nivel de asistencia de xente está sendo, creo, a mellor edición. Nesta poscovid hai moitas ganas deste tipo de actividades, a xente está rabiosa por facer e por participar". O Autobán non ten sede fixa, o que tamén implica a boa parte da cidade, xunta a moitos e moitas artistas das múltiples encarnacións do eido gráfico nunha especie de caos ordenado no que todo se mestura e remestura, onde un pode pasear polos postos mirando e curioseando entre fanzines, falando co máis novo, efervescente e anovador da escena, atopando moitos nomes que serán convidados futuros no Viñetas; mais tamén atoparemos nomes consagrados da nosa e da BD foránea convidada do festival grande que nunca deixan pasar a ocasión de dar un garbeo polo Autobán. Bernal Prieto, un dos históricos da organización, estaba o sábado pola tarde exultante: "tivemos moita xente inscrita de fóra, mudamos de emprazamento e este ano, ao estar nunha praza moi céntrica, notamos moi boa asistencia, está sendo un cheo total". Os eventos de autoedición son tolos, caóticos, heteroxéneos, e neste pequeno grande oasis que é o Autobán hai un universo moito máis inquedo, novidoso, experimental, moderno e excesivo: máis glitter e máis glam, menos academicista e moito máis pillabán e vivo e sobre todo, na miña moi subxectiva opinión, interesante. Respírase esa actitude tan de rock'n'roll, creativa, descarada e xuvenil que está entre o altivo e o anárquico, entre o sorprendente e o petardo. De Rammstein a Raffaela pero pasando pola cumbia e o trap. Para Miguel Cuba, presidente da Asociación de profesionais da ilustración (AGPI) é a primeira participación cun posto expoñendo o seu traballo: "está sendo moi satisfactorio, moitísima xente, hai moi bo ambiente con moita afluencia, temos boa música e, como se pode comprobar, todo fantástico". Curiosamente, a pesar de que a actividade principal e a que vertebra estas xornadas é o mercadiño, non hai nada menos mercantil e máis colectivista, ácrata e comunal que un evento así. Quen fai fanzines non ten un afán mercantil senón de subsistencia e militancia. O obxectivo é vender unha edición para financiar a seguinte, a meta é darlle saída a unha pulsión creativa. Aquí atoparán colectivos artísticos e grupos humanos de toda condición, moito chill e, sobre todo, boa onda. Non coñezo a ninguén que, logo dunha primeira vez, non recuncara como se isto fose unha nova relixión, mesmo a meirande parte dos autores e autoras convidados a Viñetas pasan polo Autobán. A artista e Premio Castelao de BD 2021, Julia Lago -a cabeza detrás de A Grelería, unha galería de exposicións de material gráfico local sita na praza de San Andrés, sede desta edición- estaba emocionada, "ver toda esta xente na praza reunida pola autoedición case me fai chorar [risas], ver todo isto na rúa é algo que me xera puro entusiasmo, porque non hai outro motor que o asociacionismo e a autoxestión, e creo que estar neste sitio deulle moita máis vida a este evento, que xa era moi interesante, e tamén a esta praza. A implicación e a relación dos comercios desta zona foi moi boa e hai un gran traballo por parte da xente da organización".Son dúas visións dun sector que non compiten senón que se complementan e ofrecen dúas faces dunha escena que ten tantas cabezas como editoras e tantas vidas como reinvencións. A convivencia entre ambos eventos é necesaria e boa, realiméntanse e cobren distintos públicos mais tamén interseccionan noutros. As estruturas internas son distintas, as formas, os participantes, mesmo os produtos que atopamos en cada un, tamén o xeito de entender o mundo da banda deseñada, a harmonía reina e a interacción enriquece a ambos eventos e á cidade. Tampouco son todo parabéns e risas: dous eventos destas características tamén dan para debate e conversas abondo sobre o futuro. Que pasaría se estes eventos tivesen máis investimento público, é dicir, se apoiamos a cultura propia en vez gastar en glorias turbocapitalistas que cobran miles de euros públicos e venden as entradas a prezos de barril de petróleo? Que pasará co Viñetas e que facer para que medre sen perder a esencia? Hai que darlle unha repensada logo de 25 anos? Poderá sobrevivir un evento autoxestionado como Autobán? Estamos aproveitando todo o talento que temos nesta terra nosa? Está a BD galega suficientemente representada nestes eventos? Estamos tecendo un sector creativo forte? Algún día os medios de comunicación hexemónicos deixarán de replicar como autómatas as notas de prensa e baixarán a ver que hai nas rúas?
NOS_36375
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou na mañá da sexta feira que o Consello de Ministros vai aprobar un Proxecto Estratéxico nas próximas semanas co obxectivo de xerar oportunidades de negocio tendo como base a lingua española. Chamarase "O español, val da lingua" e con el quere aproveitar o potencial do idioma en multitude de campos como a tecnoloxía, o turismo ou a industria. Nada di ao respecto das outras linguas oficiais do Estado español.
Así o anunciou o xefe do Executivo durante a súa intervención na clausura do Foro da Toxa, que preside o ex ministro Josep Piqué e ao que tamén acudiu o presidente portugués Antonio Costa. Neste contexto, o presidente do Goberno español anunciou a aprobación nas próximas semanas dun novo "Proxecto Estratéxico". Unha iniciativa transversal que promoverá a aprendizaxe, a transformación dixital, o turismo, as industrias culturais, a ciencia e a empresa tendo como base "o noso idioma común que é o español". Pedro Sánchez afirmou que se trata de "xerar oportunidades de negocio" ao redor da lingua española e acordes cos principais avances innovadores e tecnolóxicos no ámbito da robótica, da intelixencia artificial, etc. "Adóitase falar da riqueza das nosas linguas e que podo dicir eu aquí na Galiza, por suposto que si, das catro linguas cooficiais recoñecidas na nosa constitución e é un acerto porque atesouramos catro linguas que fan de España un país único, grande e rico", alegou o xefe do Executivo español. Con todo, puxo o acento en que, aínda que todas esas linguas encerran un valor económico, é o español, "o castelán", o que "en particular" é coñecido fóra de España por "600 millóns de seres humanos que forman parte da comunidade hispano falante". Isto conforma, segundo dixo, un potencial de xeración de emprego cualificado, de creación de valor e tamén de desenvolvemento industrial en toda a transformación dixital que está a abordar o conxunto da humanidade. Por iso, concluíu que "é o momento de investir no potencial que ten a nosa lingua común que é o español". O anuncio de Sánchez chega días despois de que a vicepresidenta Nadia Calviño resaltara, en resposta ás críticas á Lei do audiovisual -que discrimina os idiomas das nacións sen Estado- que o castelán "é a lingua que permite un papel poderoso". O español, apuntou Calviño, "é a lingua que nos une e que realmente nos permite desempeñar un papel tan poderoso na produción audiovisual en todo o mundo". Tamén chega na mesma semana en que o Goberno estatal denegou unha axuda ao Concello de Cambados por achegar a documentación en galego. Unha práctica que denunciará A Mesa pola Normalización Lingüística perante o Consello de Europa debido ao incumprimento da Carta Europea das Linguas Minorizadas.
NOS_5242
Millares de persoas ateigan Santiago nunha multitudinaria manifestación contra a explotación mineira de Galiza e contra a política da Xunta. "Galiza non é a leira do PP!" e "Feijóo na mina, só busca cocaína": así se está a pronunciar a multitude."Queremos ar puro e non cianuro" é un dos cánticos máis coreados na marcha, coa variante de "con cianuro, non hai futuro".
A cola da manifestación continuabana Alameda media hora despois de que a marcha se iniciase cara á Praza da Quintana. "Galiza non se vende, Galiza se defende" e "Con cianuro, non hai futuro" foron algunhas das palabras de orde da multitudinaria manifestación que percorreu Santiago contra a política mineira da Xunta de Galiza. Defender o país dun goberno que antepón o beneficio de empresas mineiras -para maior escarnio, estranxeiras- á protección do medio natural e ao desenvolvimento de sectores produtivos básicos do país foi a razón que levou ás rúas de Santiago a unha multitude, nunha das marchas con maior capacidade de convocatoria dos últimos anos. Un espírito moi Nunca Máis encarnouse nunha manifestación que reservou duras críticas para o PP e que evidenciou o divorcio entre a maioría social e o partido actualmente no goberno, con cánticos tan demoledores como "Feijóo na mina só busca cocaína". (máis información decontado)
PRAZA_20672
En realidade, ninguén está interesado en que se desfonde o réxime norcoreano. O propio EUA ten aí a escusa perfecta para non só seguir mantendo a súa enorme presenza militar na área senón para alentar a carreira armamentista co despregue do sistema antimísiles THAAD, que tanto preocupa a Moscova e Beijing.
O intercambio de exabruptos entre o presidente Trump e o líder norcoreano Kim Jong-un pode pasar de longo de novo como unha nube de verán sen mais transcendencia pero cada escalada verbal bota gasolina sobre un conflito que en calquera momento podería desbordarse. Pese a que todos os actores na zona descartan para os seus adentros o enfrontamento militar como solución, a dinámica actual, abondosa en imprevisibilidades, eleva o risco de precipitación de escenarios incontrolables. Toda a verborrea desbocada de un e outro evidencia que a situación na península coreana atópase nunha canella sen saída. O circulo vicioso de provocacións-represalias non conduce a parte ningunha. A espiral de sancións hai tempo que amosou os seus límites por mais que se afonde nela. E a hipotética "solución" militar tampouco existe a risco de incendiar toda Asia oriental, como pouco. Certo que con estes alardes Trump logra desviar a atención do seu pésimo balance de xestión no que vai de mandato. Pola súa banda, o terceiro Kim blinda a súa xefatura mantendo o pulso cunha locuacidade que planta cara galvanizando unha sociedade norcoreana sustentada en bases extremadamente febles. Ninguén se estrañe se un día descubrimos que o poderío militar real de Corea do Norte é unha caricatura alimentada polos medios semellante á do Iraq de Saddam Hussein… China mantense como único mediador crible para desandar a crise e aínda que non queira terá que implicarse máis a fondo no seu encarreiramento. Iso a pesar da evolución experimentada nos últimos tempos, de claro distanciamento de Pyongyang en boa medida como consecuencia da necesidade de atemperar as súas relacións con Washington, instaladas nunha dinámica semellante de tensión-apaciguamento. China ven apoiando as sancións impostas polo Consello de Seguridade da ONU pero é evidente que sen entusiasmo e non premerá a Pyongyang tanto como pretende EUA. A caída da dinastía Kim abriría a caixa de Pandora estratéxica en toda a rexión e o que precisa China, ligada aínda a Corea do Norte polo acordo de defensa de 1961, é estabilidade na súa contorna. En realidade, ninguén está interesado en que se desfonde o réxime norcoreano. O propio EUA ten aí a escusa perfecta para non só seguir mantendo a súa enorme presenza militar na área senón para alentar a carreira armamentista co despregue do sistema antimísiles THAAD, que tanto preocupa a Moscova e Beijing. A proposta da dobre suspensión (dos ensaios balísticos norcoreanos e dos macroexercicios militares que lidera EUA) é o principio da volta ao diálogo hexagonal (as dúas Coreas, Rusia, China, Xapón e EUA) suspendido desde 2009. É nese marco onde pode abrirse camiño o tratado de paz con EUA e as garantías de seguridade que reclama o terceiro Kim con base na desnuclearización de toda a península. Retomar esa senda é a única alternativa sensata.
PRAZA_16826
As vítimas amosan a súa esperanza en que a comisión do Congreso bote á fin a andar esta semana mentres agardan a que remate unha folga na Xustiza galega que agravou as demoras que xa acumula a causa Vítimas de Angrois ven infrutuosa a súa xuntanza con Ana Pastor tras dous anos de espera
Vítimas de Angrois ven infrutuosa a súa xuntanza con Ana Pastor tras dous anos de espera Nunca como agora a plataforma de vítimas do accidente de Angrois avanzara tan lonxe na consecución dos seus obxectivos. Paradoxalmente, poucas veces como no último medio ano se acumularan tantas demoras ao mesmo tempo tanto na vertente xudicial como na política das súas reivindicacións para aclarar o ocorrido no sinistro que o 24 de xullo de 2013 deixou 80 mortos ás portas de Santiago despois de que o maquinista do tren Alvia non frease a tempo antes da curva de Angrois sen que houbese activo ningún sistema de seguridade que evitase ou paliase o seu erro humano. Estancamento xudicial As vítimas amosan a súa esperanza en que a comisión do Congreso bote á fin a andar esta semana No plano xudicial, tras catro anos de altibaixos con erros e demoras, a investigación avanzou notablemente o pasado ano, cando foron imputados e pasaron polo xulgado a declarar os directores de Seguridade na Circulación de Adif e Renfe, Andrés Cortabitarte e Antonio Lanchares, aos que o xuíz instrutor considera posibles responsables de delitos de homicidio imprudente por non dispor medidas correctoras do risco previsible de accidente que existía na curva de Angrois. Xunto con eles tamén declararon tres técnicos da empresa pública Ineco que ratificaron que Adif non lles pedira avaliar os riscos da curva. Pero desde ese momento, a principios de novembro, a causa xudicial ralentizouse. Para establecer a responsabilidade penal da inacción dos cargos de Adif e Renfe implicados, o xuíz instrutor pediu á Axencia Ferroviaria Europea que aclare se era ou non obrigatorio segundo a normativa comunitaria avaliar o risco da curva, pero o xulgado trabucouse no enderezo ao que enviou a súa petición e tardou cinco meses en remitila de novo correctamente. Logo, a principios de febreiro, o xuíz instrutor decidiu aceptar varias peticións que había tempo que lle formularan as partes presentes na causa para tomar declaración a unha ducia de persoas implicadas no deseño e supervisión da liña e peritos. Porén, o 7 de febreiro o persoal da administración de Xustiza en Galicia iniciou unha folga indefinida durante a que só puideron declarar tres deles. A folga continúa sen visos de solución máis de dous meses despois e non hai data para retomar as declaracións pendentes nin as partes saben aínda nada do informe da Axencia Ferroviaria Europea. Estancamento político A folga da xustiza e un erro do xulgado nun enderezo ao pedir un informe á Axencia Ferroviaria Europea demoran a investigación penal De xeito paralelo ás responsabilidades penais, as vítimas piden que se depuren tamén as responsabilidades políticas polo deseño da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente así como pola xestión posterior do sinistro. A plataforma de afectados viña reclamando desde poucos meses despois do sinistro a creación dunha comisión de investigación política no Congreso dos Deputados, pero a maioría absoluta do PP primeiro e despois a complicidade do PSOE impediron durante catro anos a súa creación. O cambio na dirección do PSOE permitiu que o Pleno do Congreso finalmente aprobase esa comisión o 28 de setembro do ano pasado, pero aínda non comezou a traballar porque durante todo este medio ano os grupos políticos non foron quen de poñerse de acordo sobre quen a debe presidir. O pasado xoves a presidenta do Congreso, Ana Pastor, recibiu o presidente da plataforma de vítimas e informouno de que a sesión de constitución da comisión está fixada para o próximo mércores día 18 de abril. Pastor era ministra de Fomento cando Adif e Renfe decidiron que os trens Alvia circulasen entre Ourense e Santiago co sistema de control da velocidade desconectado, e con ela no cargo o seu ministerio realizou unha investigación oficial do sinistro que fixo responsable só ao maquinista e que foi descualificada tanto pola Xustiza como pola Axencia Ferroviaria Europea. Por eses e outros motivos as vítimas queren que a propia Pastor dea explicacións políticas na comisión, ao igual que o seu antecesor, o socialista José Blanco. A data do 24 de xullo, e con ela o quinto aniversario do accidente, segue a aproximarse sen que as vítimas teñan expectativas de pronta resposta a todas as súas preguntas pendentes Máis de seis meses despois da súa aprobación, a sesión de constitución da comisión de investigación será este mércores, pero coa incógnita de cal será o resultado da primeira votación que teñan que realizar os seus membros, a de quen a vai presidir, se ben diversas fontes apuntan o PDeCAT como opción máis probable. Despois chegará outra loita política, a de cantos grupos aceptan as comparecencias que reclaman as vítimas. Loita similar á que se desatará no xulgado entre as partes implicadas cando remate a folga da xustiza, comecen as declaracións pendentes e se coñeza o informe europeo. Mentres, a data do 24 de xullo, e con ela o quinto aniversario do accidente, segue a aproximarse sen que as vítimas teñan expectativas de pronta resposta a todas as súas preguntas pendentes tanto por parte da xustiza como da política.
NOS_26999
Nova volta de porca dos aparatos represivos contra o procés e altos cargos do Govern. Desta volta, a Garda Civil detivo Antoni Molons, secretario de Difusión da Generalitat, após rexistos no seu domicilio, no Palau da Generalitat e na sede de Ómnium Cultural.
O obxecto da investigación son as campañas de publicacidade institucional promovidas pola Generalitat por volta do referendo de autodeterminación do 1-O. De acordo coas pesquisas preliminares da Garda Civil, o Govern tería destinado a propaganda a cantidade de 502.639 euros. A operación desta quinta feira non foi lanzada pola Audiencia Nacional, senón polo Xulgado de Instrución número 3. Molons é detido baixo a acusación de malversación de fondos. A sede de Ómnium Cultural tamén foi rexistada. Alí foron retidos 7 traballadores e directivos desta organización. En declaracións a Catalunya Rádio, o seu vicepresidente, Manuel Mauri, afirmou que OC non pode ser obxecto dunha denuncia por malversación de fondos públicos ao non ser unha entidade pública. "Que entren na sede de Ómnium Cultural no século XXI é un intento de humillación", dixo, para a seguir acotar: "Non sabemos que se van levar e non temos suficiente información para podermos dicer cal é o alcande desta operación". O que si se sabe é que os efectivos da Garda Civil interviron os correios electrónicos do persoal de OC e mudáronlles os contrasinais, segundo informou a entidade soberanista.
NOS_12340
Feiraco naceu o 6 de xuño de 1969 nun cinema de Negreira elixido para a asemblea constituínte por ser o único espazo da contorna que podía dar acollida ás 407 persoas que asistían a esa xuntanza como socias fundadoras desta cooperativa. Unha cooperativa que, coa posta en andamento canda Os Irmandiños e Melisanto en 2016, do grupo lácteo CLUN, aspira a sumar para avanzar perante os novos retos e desafíos do sector. Eis un extracto da reportaxe, publicada no semanario Sermos Galiza en papel número 358.
A de Feiraco é, para o economista e profesor da Universidade de Santiago Xoán Carmona, a historia "dun faro na tormenta". Unha cooperativa que foi quen de sobrevivir e superar as dificultades, crises, voltas e reviravoltas que o sector agrogandeiro galego padeceu nestas cinco décadas. "É a única empresa galega que conseguiu sobrevivir como tal de todas as lácteas que se fundaron na expansión da demanda de finais dos 60 e dos 70", reflexiona Carmona no libro colectivo Pasado, presente e futuro do mundo rural. "E sen perder a súa identidade cooperativa", acrecenta. O 20 de outubro de 1968 reúnense en Negreira 52 persoas do mundo gandeiro e rural para avaliar a posibilidade de crear unha cooperativa. Oito meses despois, xuño de 1969, 407 persoas ateigan o cinema de Negreira para participar na asemblea constituínte de Feiraco. María José Cabaleiro e Carlos Iglesias, da Universidade de Vigo, consideran que o nacemento de Feiraco está moi influenciado pola historia da comarca do Val de Barcala, unha zona "cunha ampla experiencia asociativa". Desde os pasos iniciais liderados polo primeiro presidente da cooperativa, Jesús García Calvo, até hoxe pasaron cinco décadas e mudaron moitisimas cousas. Hoxe Feiraco ten 3500 socios e recolle máis de 120 millóns de litros de leite. O leite procede dos socios e socias gandeiras estendidos por unha vintena de concellos, principalmente nas comarcas de Santiago, Ordes, Arzúa e A Coruña. O impulso en 2016 do grupo lácteo CLUN –Cooperativas Lácteas Unidas– canda as tamén cooperativas Os Irmandiños e Melisanto, nace da vontade de competir a nivel global e cos pés na Galiza. Perto de catro mil socios e socias de máis de 30 municipios do centro e norte da Galiza e máis de 400 traballadores conforman na actualidade CLUN, que facturou en 2017 por volta de 125 millóns de euros; ademais de 76 millóns de Feiraco Lácteos e os 27 millóns de Acolat‑Clesa. En total, 230 millóns de euros. "Clun recolle a luva de Feiraco para liderar o sector lácteo mirando o escenario mundial", resumiu José Montes, presidente da Fundación Feiraco. Xoán Carmona bota a mirada atrás e ve como ao longo deste tempo "naufragaron as máis das explotacións agrogandeiras que existían nos 60 e foron a pique as máis das empresas galegas que se iniciaron na transformación dos seus produtos". Por iso, considera, o de Feiraco ten moito mérito. "E non contou con ningún brazo financeiro, como si tiveron outros". O profesor da USC incide en que esta cooperativa foi para estas comarcas "unha garantía de recollida do leite en condicións de prazo e seguridade que non gozaron outras comarcas" do país. De ser así, a realidade agrogandeira do país sería ben outra. A historia da cooperativa ten varios momentos clave. Un dos primeiros, a inicios da década dos 70, coa inaguración da factoría de pensos en Ponte Maceira. Nesta década iníciase envasado de longa vida UHT. Os primeiros brics de Feiraco empezaron a chegar ás casas dos consumidores. A inicios dos 80 comezaron a funcionar o economato, a gasolinera e o taller; tamén o asesoramento técnico, veterinario e agrónomo para as persoas socias. A inauguración da nova fábrica de pensos marcou tamén unha nova etapa. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 358 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_248
"A día de hoxe o "boca a boca" entre celadores veteranos e noveis é case o único método de aprendizaxe existente en hospitais e centros de atención primaria".
Un médico ten un grao universitario de seis anos e formación no seu centro de traballo. Un enfermeiro, un grao de catro anos e, tamén, formación no centro onde traballa. Un técnico de emerxencias sanitarias debe facer un ciclo medio de 2.000 horas e un técnico en coidados auxiliares de enfermería, un curso de grao medio de 1.400 horas. Ambos os dous, claro, teñen formación nos seus centros de traballo. E os 3.000 celadores e celadoras que hai nos hospitais e centros sanitarios galegos? Pois non teñen formación regrada nin prácticas. É o que denuncia a Asociación galega de celedores de institucións sanitarias ( Agacis): "A día de hoxe o único requisito formativo esixible para acceder á categoría de celador é un anacrónico e obsoleto Certificado de Escolaridade, no cal non están reguladas obviamente, as tarefas específicas e cotiás de atención directa ao paciente, entre as que podemos citar: trasladar pacientes críticos, colaborar nun quirófano co persoal médico e sanitario…" A isto, engaden, o celador é unha parte moi importante dos distintos equipos multidisciplinares existentes nos centros sanitarios (hospitais, centros de saúde ou Puntos de Atención Continuada (PAC), "recepciona, traslada e mobiliza a pacientes nun servizo de urxencias, auxilia ao persoal facultativo nunha sala de autopsias, colabora co persoal sanitario no aseo e mobilización de enfermos nas unidades de hospitalización e nas propias unidades de críticos onde se atenden, entre outros, a pacientes lesionados medulares, politraumatizados, grandes queimados, neurocríticos, por citar algúns exemplos". Son pois tarefas que exixen coñecemento e implican responsabilidade. "A pesar desempeñar unha actividade tan importante, estásenos negando a posibilidade dunha formación teórico-práctica máis que necesaria", indican desde Agacis. "Unha profesión con tales cometidos, debe estar baixo o amparo dunha formación regrada previa". O BOE publicaba en 2012 a Cualificación profesional "Traslado e mobilización de usuarios e doentes, documentación e materiais en centros sanitarios". Mais esta non se implantou en Galiza, denuncian, "sendo a día de hoxe o "boca a boca" entre celadores/ as veteranos/ as e noveis, case o único método de aprendizaxe existente en hospitais e centros de atención primaria". Afirman que con esta petición "non estamos a solicitar cobrar máis, nin aumentar ou minorar os nosos labores, simplemente desexamos prestar un quefacer acorde ao que a realidade sanitaria demanda".
NOS_48074
Un terzo da poboación do Afganistán carece de acceso diario a comida.
Os países occidentais continuaron esta cuarta feira coa evacuación acelerada do Afganistán, tendo presente a vindeira terza feira como data límite para que as tropas estranxeiras abandonen o país. O temor a que moita xente vulnerábel a posíbeis represalias por parte dos talibán fique atrás está cada vez máis presente nas declaracións dos líderes mundiais. Máis de 10.000 persoas permanecen no aeroporto de Kabul á espera de poder saír nas próximas horas, segundo o Departamento de Defensa dos EUA, que xa anticipou que comezará a priorizar a evacuación das súas tropas ante o inminente repregue definitivo. EUA e os seus aliados evacuaron arredor de 88.000 persoas ─incluíndo os seus nacionais, persoal da OTAN e afgáns en risco─ desde o 14 de agosto, un día antes de o grupo islamista radical entrar en Kabul e pór fin a 20 anos de presenza militar estranxeira. O portavoz do Pentágono, John Kirby, subliñou o compromiso de Washington cos esforzos para sacar de Afganistán "persoas necesitadas", aínda que tamén suxeriu que cumprirá "reservar" algúns espazos nestes "últimos días" para trasladar os efectivos estadounidenses, recolleu CNN. O presidente Joe Biden afirmou que o perigo que afrontan as tropas do país norteamericano vai en aumento. Segundo informou a axencia Reuters citando dúas fontes anónimas da Casa Branca, medra a preocupación a posíbeis atentados suicidas no aeroporto por parte de Estado Islámico. A fame axexa Máis para os organismos e axencias humanitarias internacionais o gran temor é a inminente crise humanitaria que vén detrás. Segundo Unicef, uns dez millóns de crianzas necesitan axuda urxente. Os menores afgáns xa sobreviven actualmente grazas á asistencia humanitaria e a axencia para a infancia da ONU calcula que un millón máis sufrirá malnutrición, con perigo para a súa vida, antes de acabar o ano. O Programa Mundial de Alimentos da ONU busca 200 millóns de dólares en alimentos. David Beasley, o seu director executivo, sinalou que 14 millóns de persoas ─un terzo da poboación afgá─ sofren inseguridade alimentaria "por varios anos de secas, conflito, deterioro económico, agravado todo pola Covid". Mentres, en Europa, a Policía neerlandesa disolveu unha concentración ultradereitista de máis de 250 persoas na provincia de Güeldres contra as persoas evacuadas do Afganistán. A protesta desenvolveuse fronte a unha base militar convertida en centro temporal de acollida, na localidade de Harskamp. Os concentrados berraron lemas como "A nosa xente vai primeiro".
NOS_45895
A listaxe de bens inmatriculados grazas a unha lei do Goberno de Aznar inclúe templos, vivendas e prazas de garaxe, entre outros. Galiza é o segundo territorio do Estado con maior número de inmatriculacións.
A Igrexa católica conta cun total de 7.131 bens inmatriculados na Galiza entre 1998 e 2015, por mor da reforma da Lei Hipotecaria levada a cabo polo Goberno de José María Aznar, segundo a listaxe elaborada polo Goberno español e enviada ao Congreso dos Deputados. Segundo esta listaxe, Galiza é o segundo territorio con máis inmatriculacións -acción de inscribir por primeira vez unha propiedade no rexistro da propiedade- do total de 34.961 existentes no Estado español, só por detrás de Castela e León (10.243). De feito, A Coruña é a provincia con máis bens inmatriculados de todo o Estado (2.669). Séguelle Lleida (2.157) e Cantabria (2.058). En cuarto posto sitúase Ourense (2.017). Nos primeiros postos tamén están Pontevedra (1.383) e Ourense (1.062). Dos 7.131 bens, 2.747 son templos e os 4.384 restantes son fincas rústicas, vivendas, solares, cemiterios e prazas de aparcadoiro, entre outros. Esta lei permitiu á Igrexa rexistrar ao seu nome inmóbeis só cunha certificación eclesiástica, tal e como se presenta en 6.210 casos na Galiza, mentres en 921 casos son títulos distintos da certificación eclesiástica. "As inmatriculaciones producíronse ao abeiro dunha situación legal, outra cousa é que, ao longo dos anos, houbese posicionamentos contrarios á reforma que propiciou o Goberno de Aznar, pero foi á luz dunha legalidade", declarou a vicepresidenta primeira do Goberno español e ministra da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Carmen Calvo, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros. Das 34.961 inmatriculacións, 20.014 corresponden a templos da Igrexa católica ou dependencias complementarias que teñen que ver co culto ou a tarefa educativa e os 14.947 restantes relaciónanse con outros usos: terreos, solares, vivendas ou locais, segundo concretou Calvo.
NOS_21079
Sairá o vindeiro 7 de decembro. Ademais do concerto inclúe un segundo disco, 'Apocalipse Nao', que recolle gravacións inéditas tanto da banda coma de persoas achegadas á mesma.
O 7 de decembro publícase 'Adeus e grazas', o DVD que recolle o concerto de despedida dos Nao ao se facer un ano desta actuación coa que a banda puña o ramo a máis dunha década de vida. O DVD, editado da man da promotora PlayPlan Cultural, inclúe un segundo disco nomeado Apocalipse Nao, que recolle gravacións inéditas tanto da banda coma de persoas achegadas á mesma. Nao quer celebrar así o primeiro aniversario da súa despedida dos escenarios cunha estrea, un DVD que recolle na íntegra o derradeiro directo do grupo, celebrado o 7 de decembro de 2019 no recinto ferial de Amio, en Compostela. O concerto, concebido como "unha gran festa" e que se prolongou durante máis de 3 horas, colaboraron Picchio (Banda Bassotti), Sabela Ramil, Tanxugueiras, SonDaRúa, Rebeliom do Inframundo, Odolaren Mintzoa, Mini e Navia Rivas, Ramón Iglesias, Anxelo de Xermar, Patty Castro, Paul Zervero, Dakidarría, Pauliña, Xiana Lastra, Manuel Varela, Inés Duport, Roi Xesteira, Iago Pico, Vituco Neira e Carlos Gilino. Adeus e grazas inclúe tamén de agasallo o disco Apocalipse Nao, que recompila tres pezas documentais (I, II e III) recollidas ao longo dos seus case quince anos de traxectoria. A última da triloxía, nomeada Apolicalipse Nao I, inclúe material audiovisual inédito gravado após a despedida do grupo e que se poderá ver por primeira vez neste DVD. No traballo, tanto os membros da formación como as persoas achegadas á mesma e que compartiron as súas vivencias coa banda nestes anos falan do que supuxo o derradeiro concerto de Nao e do que significou a súa música para eles. O dobre DVD publicado por Nao e PlayPlan poderase adquirir desde o día 7 a través da páxina web www.inquedanzas.com por 19,90€ (gastos de envío non incluídos) e, a partir do 9 de decembro, nos puntos habituais de venda de Inquedanzas Sonoras.
PRAZA_14475
Os conservadores desbotan que o presidente acoda á Deputación Permanente porque agora "deben falar os representados". Na campaña de 2009 consideraron "inaprazable" que o daquela mandatario socialista acudise á Cámara.
"É ineludible e inaprazable que dea a cara". O 23 de xaneiro de 2009 o daquela portavoz parlamentario do PP e actual alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, expresábase nestes termos para xustificar a necesidade dunha convocatoria da Deputación Permanente do Parlamento, o órgano que substitúe o pleno en períodos inhábiles ou cando a Cámara está disolta, caso por exemplo do tempo que media entre a convocatoria dunhas eleccións e a celebración das mesmas. Os conservadores reclamaban a xuntanza para esixir dúas comparecencias de quen era presidente da Xunta, o socialista Emilio Pérez Touriño: sobre o concurso eólico que promovía a Consellería de Industria, por ser un "fiasco" e tamén sobre o temporal que sufrira Galicia unha semana antes, "porque non se alertou os veciños". "Pola súa dignidade, pola de Galicia e pola do seu grupo, debería vir explicarse", enfatizaba o popular. En 2009 os conservadores consideraban "inaprazable" que, "por dignidade", Touriño comparecese en campaña Tras esa solicitude previa, o 30 de xaneiro do mesmo ano ou, o que é o mesmo, a pouco máis de dúas semanas do comezo da campaña electoral das autonómicas, producíase a reunión da Deputación Permanente. Ruiz Rivas volvía defender nela a conveniencia de que Touriño comparecese en campaña, porque o período electoral non debera ser impedimento para a "transparencia" do Goberno, argumentaba. Pero os votos de PSdeG e BNG vetaron a iniciativa. O daquela voceiro socialista, Ismael Rego, enmarcaba na dinámica electoral a petición do PP e esixía "respecto" para o Parlamento, que "non está ao servizo da estratexia partidaria do Partido Popular". Nun sentido semellante, o nacionalista Carlos Aymerich defendía a xestión da Xunta en ambos ámbitos e instaba ironicamente o PP a prestarlle máis atención a Galicia e menos "a xogar aos espías cos seus amiguiños de Madrid -daquela estaba de plena actualidade a suposta trama de espionaxe no Goberno da Comunidad de Madrid-. Case catro anos despois, a historia repetiuse. Este martes reuniuse a Deputación Permanente, neste caso a petición do PSdeG. Sobre a mesa estaban, como en 2009, varias solicitudes de comparecencia do presidente da Xunta, neste caso sobre o conflito das preferentes, sobre o futuro de Alcoa e, sobre todo, sobre os supostos contratos da petroleira Pemex con estaleiros galegos, que o presidente e candidato á reelección asegurou "non ter ningún problema" en amosar. O voceiro socialista, Abel Losada, insistiu na conveniencia de que Alberto Núñez Feijóo acoda á Cámara e a nacionalista Ana Pontón concordou. Pero desta volta o veto estivo pola banda popular. O conservador Pedro Puy non considera oportuno que o presidente compareza ante os deputados e deputadas en plena campaña electoral. "Xa non lles toca falar aos representantes, senón aos representados", resume. En tres días, comeza a carreira cara ás urnas.
NOS_34173
Os presidentes do Partido Popular e do PPdeG, Pablo Casado e Alberto Núñez Feixoo, respectivamente, acudiron hoxe á romaría do Pino para pedirlle ao electorado de centro-dereita que apoie o seu partido para frear a Sánchez.
O presidente do Partido Popular de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, exerceu hoxe de anfitrión de Pablo Casado na súa romaría do Pino, onde ámbolos dous dirixentes pediron para si o voto do electorado de centro dereita co obxectivo de "frear o PSOE de Pedro Sánchez". Casado, que asegurou ter "captado a mensaxe" das urnas o pasado domingo, recalcou que "somos conscientes dos nosos erros, pero tamén queremos transmitir de que temos a mellor solución aos problemas da nosa xente". "Cando pintan bastos somos os que sacamos as castañas do lume", sinalou. Casado referiuse a Feixoo como "o referente" do Partido Popular. O presidente da Xunta instou na súa intervención a principiar a "remontada" e, para acadalo, advertiu de "non cometer o erro prexudicial de dividir o voto" porque dese xeito "a esquerda, o populismo e o nacionalismo gañan". "Temos que unirnos se queremos volver gañar e, para unirnos", explicou, "temos que volver convivir entre todos e aceptar que non todos pensamos e sentimos o mesmo". Núñez Feixoo fixo un chamado aos votantes de Ciudadanos e Vox cando dixo que "no PP teñen cabida" para evitar así que "o seu voto non volva beneficiar os seus adversarios políticos". Nesa liña, sinalou que "Vox foi o xoguete de Pedro Sánchez para dividir o centro e a dereita en tres partidos e mobilizar así o voto ao seu favor". O presidente do PPdeG dirixiuse ao público para lembrarlle que "estamos aquí arroupando a Pablo Casado" e recalcou que "xa se acabou o tempo de dó e de decepción porque estamos á orde para reconstruír as mariorías, a unión do voto e para remontar. Debémosvos a remontada", dixo,
NOS_2174
Udo Voight, eurodeputado do partido de extrema-dereita NPD, está no comité encarregado da protección dos dereitos humanos e loita contra a discriminación.
Udo Voight, eurodeputado do NPD, partido alemán de extrema dereita e con veleidades nazistas, vai sentar na Comisión de Liberdades Civís e Xustiza do parlamento europeo. Aos membros da Cámara europea que, como este ex-capitán do exército alemán, non están en ningún dos grandes grupos asígnaselles un número determinado de escanos nos comités, que son repartidos entre eses parlamentares 'independentes'. E ao neonazi tocoulle estar representado no comité do Parlamento que é encarregado da protección dos dereitos humanos e loita contra a discriminación. Voight, ex-capitán do exército alemán, afiliouse ao NPD en 1968, con 16 anos. Foi o lider deste partido entre 1996 e 2011. Declaracións glorificando ás Waffen SS valéronlle unha condena en 2009. Ten negado as cifras do Holocausto, defendido publicamente a Hitler e é partidario de expulsar a todos os inmigrantes de Alemaña. Todo isto adubado con declaracións insultantes a xudeus e árabes, entre outros. O NPD logrou representación no Europarlamento nestas eleccións do 25 de maio, onde obtivo máis de 300.000 votos, o 1,03 %.
NOS_37485
Por vez primeira un grupo parlamentar rachará coa disciplina de voto no Congreso d@s deputad@s. O PSC desmárcase de Ferraz e votará a favor dunha resolución a prol do dereito a decidir de Catalunya. "As posicións están claras", advertiu Francesc Vallés, coordinador do PSC nas Cortes españolas. Alfredo Pérez Rubalcaba desbota, a priori a ruptura, mais ameaza con revisar "o marco de relacións" entre os dous partidos.
As tensións entre o PSOE e o PSC en Catalunya extrémanse. As 14 persoas do PSC que se integran no grupo parlamentar socialista anunciaron que racharían coa disciplina de voto e que votarían a favor das resolucións presentadas por CiU e ICV a prol da convocatoria dun referendo de autodeterminación negociado con Madrid. Non así coa presentada por ERC que vai para alén diso e insta ao Goberno de Mariano Rajoy a autorizar "todos os referendos que soliciten as comunidades autónomas e corporacións municipais". Pere Navarro asegura que @s 14 deputad@s cataláns votarán a favor das resolucións presentadas por CiU e ICV As diferenzas entre Rubalcaba e Navarro son claras e notorias desde hai un tempo, malia os bandazos d@s cataláns. Neste senso, após rexeitaren a Declaración de Soberanía aprobada polo Parlament o pasado 23 de xaneiro --conxuntamente con PPC e C's-- o seu secretario xeral, Pere Navarro afirmaba que perante as propostas de resolución que se debaterán e votarán esta terza feira "está en xogo" a "coherencia" do propio PSC e do "dereito a decidir" do pobo catalán. A mudanza nos posicionamentos defendidos desde a federación socialista --que sancionou @s cinco deputad@s que saíron da votación no Parlament como mostra de rexeitamento ao voto desfavorábel que se lles exixía-- Navarro bota un pulso á dirección do partido e asegura que a mudanza no seu posicionamente débese a que "agora si" se demanda o diálogo entre os gobernos para facer a consulta. Madrid afirma que revisará o "marco de relacións" co PSC de se producir a ruptura da disciplina de voto As posibilidades de ruptura son maiores que en ningún outro momento. Segundo afirma a prensa catalá, o PSOE recoñece ter un "marron" no que é sen dúbida a maior crise interna dos últimos anos, pois após as negociacións desenvolvidas a pasada segunda feira, @s 14 deputad@s cataláns manteñen a súa postura en firme e confirmaron que racharán coa disciplina de voto. Cuestión que lles podería valer a expulsión da executiva da formación --segundo asegurou o Toni Bolaño, ex-xefe de comunicación do president Montilla. No entanto, a dirección socialista procurou quitar ferro ao asunto afirmando que o posicionamento d@s deputad@s cataláns "é a constatación dunha discrepancia de fondo coñecida". Neste senso, o líder do PSOE asegurou esta terza feira que Madrid revisará "o marco de relacións" co PSC, malia a que algúns outros dirixentes do partido chegaron a asegurar que "foi fermoso mentres durou" apelando a unha posíbel ruptura. Porén, a sombra esténdese sobre algunhas das persoas que foron eleitas por cincunscricións catalás, mais que actuaron polo xeral de acordo cos ditados de Madrid. Neste senso, Carme Chacón --que mesmo loitou pola presidencia da formación española-- deberá determinar cal será o seu voto. Malia a que Pere Navarro asegura que tod@s @s parlamentares do PSC votarán a favor, o certo é que a catalá defendeu desde o comezo os postulados de Rubalcaba e posicionouse en contra da convocatoria dun referendo pola autodeterminación que non respectase os límites constitucionais. Rexeitando de maneira moi clara e rotunda en sonadas cabeceiras españolas calquera posibilidade que achegase a Catalunya á independencia por moito que o PSC (que formalmente é un partido soberano, non unha federación do PSOE) asegura, agora, que a cidadanía ten "o dereito e a necesidade de expresárense" a respeito do futuro do pobo catalán.
NOS_22035
Os maxistrados rexeitan os recursos presentados por varias partes.
A Audiencia Provincial da Coruña ratificou o peche da instrución sobre o accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago) en xullo de 2013 e mantén os dous investigados: o maquinista e o ex xefe de seguridade na circulación de Adif. Deste modo pronúncianse os maxistrados, que rexeitan os recursos presentados por varias partes contra o auto do Xulgado de Instrución número 3 de Santiago que puxo fin á investigación. Así as cousas, previsibelmente o xuízo oral abrirase contra estas dúas persoas: o maquinista do tren, que aquel día circulaba cun exceso de velocidade tras atender unha chamada do interventor; e o ex director de seguridade na circulación de Adif, ao que o instrutor atribúe a responsabilidade dunha avaliación de riscos deficiente na liña. En setembro pasado, o xulgado de instrución número 3 de Santiago fechaba a investigación do accidente do tren Alvia no que faleceron 81 persoas. Tamén entón, só dous imputados: o maquinista e o director de seguridade na circulación de Adif.
NOS_57238
Case 10.000 persoas con 10.000 historias percorreron as rúas de Compostela para denunciaren unha vez máis a estafa das preferentes. "Arbitraxe? Que é iso? Nós queremos os nosos cartos", dicían co temor de seren vítimas, unha vez máis, doutro calote amparado polos mesmos culpábeis da súa ruína.
O único que impide escoitar as súas historias particulares é o enxordecedor ruído que atrona toda a manifestación. Veñen preparados para a protesta. A maior parte levan chifres, tambores ou tixolas. A nada que nos acheguemos comprobamos que maiormente traen tapóns nos oídos. Queren montar barullo e afixéronse a traer todo o equipo para as súas protestas: camisetas estampadas con frases denuncia, material de son, pancartas e cartaces con variedade inmensa de lendas e debuxos e mesmo cascos de traballo para soportar o inmenso balbordo.Desde a Ferradura, onde ten a saída a manifestación ás 11 da mañá deste sábado 21 de xullo, até a Quintana na que remata, é fácil falar con calquera das persoas afectadas. Ninguén nega contar a súa historia. Ben ao contrario, mesmo se achegan a dar testemuña do roubo. Non é difícil, non, que conten o seu caso. Tampouco que se emocionen ao facelo.Élida de Santiago meteu cartos en preferentes no ano 2003. Eran 90.000€ que o seu home e mais ela conseguiran despois de quince anos de emigración en Alemaña. Todo o que tiñan. Aseguráronlles, como a todas as persoas timadas, que podían sacar o diñeiro cando quixeran. En corenta e oito horas. "Fixéronllo a xente aforradora coma nós. Eu fun á escola catro anos, non sei nada de economía" comenta, pero, deseguido, debulla datos de intereses e das condicións dos bancos. Aprendeuno despois, a forza de loitar por conseguir o que é dela. "Se agora sei disto, teño os cartos debaixo dunha pedra. Precisaban diñeiro para recapitalizarse e colleron o noso", acusa, mentres di que nin unha peza de roupa puido mercar nos últimos anos. Viven da pensión do home. Eran 90.000€ que o seu home e mais ela conseguiran despois de quince anos de emigración en Alemaña. Pouco máis adiante, as camisetas vermellas distinguen ao grupo do Salnés. José Luis Villar reclama atención e posa coa súa pancarta feita á man. "Nós somos pequenos aforradores, non investidores", lese nela. Canda el, vai a súa muller, Dolores Coira, que explica que os seus ladróns son os do Banco Bilbao Vizcaya. "Puxemos os cartos porque nos dixeron que non tiñan risco, pero non é así. Perdemos xa 7.500 e non podemos sacar nada", conta esta parella que pasou boa parte da súa vida laboral en Francia e Alemaña e criaron xuntos cinco fillos. Teñen previsto pedir arbitraxe? "Arbitraxe? Que é arbitraxe? O que é isto é un roubo. Aínda metemos un pequeno aforro no 2011 e non nos dixeron nada?. Dolores tivo que tomar pastillas para durmir despois de se decatar da estafa, e agora camiña da man de seu home en todas as manifestacións que se convocan. Contan seguir así até a fin. Como Élida, José Luís e Dolores, son moitos os emigrantes retornados que perderon todos os seus aforros polo engano dos bancos.Non ben rematamos de falar con Dolores e José Luís e chama por nós Carmen Rey, de Boiro. Quere falar de seu avó, de 89 anos, enfermo terminal, e a súa avoa de 84, con parkinson e mobilidade reducida. Está aquí por eles. "Dixéronlles que metían os cartos en prazo fixo por tres anos e resulta que eran a perpetuidade. Nunca pensaron que os enganasen" explica Carmen. "Non nos interesa a arbitraxe. Imos loitar ata o final. Meu avó foi emigrante en Holanda e tamén estivo no mar e non ten estudos", denuncia a neta, con xenreira polo timo que padecen os seus avós no seu último tempo. A economía ten corpo e a dor pálpase a flor de pel. Carmen Piñeiro lévanos a unha beirarrúa para poder contar a súa historia sen que os pitidos o impidan. Ten corenta e tres anos e forma núcleo familiar coa súa filla de dous. Tiña cartos a prazo fixo e dixéronlle que tiña que pasalos a subordinados. Un bo día comunicáronlle na súa oficina de Caixanova en Tui que pola fusión das caixas tiñan que eliminar o contrato. Rachárono diante dela. Non soubo máis. Cando quixo mercar unha leira para facer unha casa para ela e mais a súa filla atopouse con que non podería retiralos ate o 9.999. Agora está no paro e ten baixo a chave do banco 90.000 € que lle darían a vida. Seu pai reclama 70.000 e a súa irmá 30.000. "Quedamos sen nada e vou loitar até conseguir o que é noso", dinos Carmen antes de comezar a chorar e preguntarse: "Alguén metería sabendo os cartos ate o 9.999? Vou continuar porque non me queda nada". Rexeita a arbitraxe porque entende que ela quedaría fóra da solución. Ten previsto iniciar accións xudiciais. Di que prefire darlle os cartos a un avogado a que queden con eles os mesmos que llos roubaron. "Alguén metería sabendo os cartos ate o 9.999?" Con camiseta branca veñen os de Arousa. Nas costas unha nova lenda: "A estafa das preferentes. Tanto aforrar para nada ter!". José Hermo, navegante xubilado, camiña canda eles. Vén da Pobra e hai sete anos meteu os seus aforros na Caixa Catalana. Dixéronlle que podía dispoñer deles sempre que quixese en corena e oito horas. El e a súa muller foron á Coruña, a Vigo e agora están en Compostela. E seguirán o tempo que faga falta, facendo forza con todos e todas, a única maneira que ven para gañar a batalla. "Como tiña catro cadelas, a directora convenceume de que as cambiase da conta. Eran 24.000. Cando quixen sacalos dixéronme que non podía e ofrecéronme un crédito. Tiña que pagar un crédito cando eles tiñan os meus aforros! Sentinme timada e o que máis me doe é que é a herdanza dos meus pais, que tanto lles custou gañar" laméntase Rosa, do Rosal, coa camiseta laranxa que hoxe traen os do Baixo Miño. Ao pai de Xavier, de Lugo, quitáronlle en preferentes un terzo dos seus aforros. Ten 83 anos e case non ve. "Intentou sacalos hai dous anos e dixéronlle que non podía. Queremos o reintegro íntegro, de todos e todas as afectadas; a arbitraxe é un amaño que non aceptaremos", afirma no medio do grupo da súa comarca, no que, como en todas, son moitos os emigrantes que perderon todo o gañado lonxe da terra. Denunciado polos que rouban Poucos pasos máis adiante José Abal leva unha camiseta con papeis pegados e un gran texto de denuncia. "Estamos fartos", di unha das súas frases. Na man, unha tixola vermella e un pau para meter ruído. "Metín nas subordinadas. Dixéronme que era a prazo fixo e que podía sacar cando quixese. Alá foron 18.000 euros. Todo o que tiña de traballar no mar". José Abal vén de Moaña e o 18 de setembro terá que declarar canda nove persoas máis acusado de "ameazar aos da Caixa. O único que queren é dividirnos. Ao contrario do que din, mesmo tiven que apazugar algún vello que se puña nervioso", explica. Conta con rabia o caso dunha muller maior que foi pedir 7.000 € dos seus cartos e saíu, sen sabelo, cun crédito persoal asinado. Agora quédanlle ao mes con 30€ de intereses e terá que devolver o préstamo íntegro en 2019. Detrás da pancarta de Ferrol vai Luís, de Cangas. "Que máis ten. Todos estamos ao mesmo" comenta. Ten setenta anos e todos os seus aforros en preferentes. Os últimos, depositados hai ben pouco: 12.000€ en agosto de 2010. "Sen que me dixesen nada de nada. Cando os necesitei decateime do problema. Quen pon os cartos a perpetuidade coa miña idade", pregúntase. "Fun percebeiro coas ondas do mar e agora vou a cada unha das manifestacións. Feijóo é quen ten que amañar isto porque foi el o que o provocou", denuncia. Na Quintana a calor é abafante. Desde o altofalante piden que se reserve a escasa zona de sombra para a xente maior. Son moitos. Poucas manifestacións camiñaron por Compostela con persoas de tanta idade. A media non debe baixar dos sesenta anos. Son os estafados preferentes. No altofalante, os que toman a palabra son homes e mulleres con historias particulares. Pero piden solucións para todos e todas. Sábese que arredor de 46.000 son os afectados por NovaGalicia Banco, pero Xesús, de Santiago, alerta de que hai moitos máis que nin saben que teñen os seus cartos nas preferentes. "A estafa é masiva e moitos aínda non o saben", sinala. Falan de todas as comarcas e Matilde pide o micro desesperada. Fala da dura situación na que o calote a deixou a ela e a súa nai de 94 anos. Toda a Quintana a entende. Xuntos no medio da praza está o nutrido grupo de representantes do BNG, a comezar polo candidato a Xunta, Francisco Jorquera pero tamén as deputadas e deputados Carlos Aymerich, Ana Ponton, Bieito Lobeira e Ana Luísa Bouza e diversos representantes municipais, que estaban por toa a manifestación canda viciños e viciñas das súas comarcas. A media non debe baixar dos sesenta anos. Son os estafados preferentes. No remate, nas escaleiras, persoas afectadas fan un mosaico con letras. "Plataforma de afectados polas preferentes e subordinadas. Os galegos non imos calar ata os nosos cartos recuperar". Danlle a volta aos cartaces con letras individuais e aparecen os conceptos. Na liña superior , "disgustados", "deprimidos", "enganados"... e nas escadas de abaixo o ton vai cambiando e a protesta colle forza "ilusión", "franqueza", "alerta", "entusiasmo". Porque saben que precisan esa forza para lle dar volta ás súas historias.
NOS_41082
A proposta de o Bloque concorrer nas xerais como parte dunha Candidatura Nacional Galega de Unidade debátese nas asembleas abertas e irá ao Consello Nacional do sábado 20
Ter personalidade xurídica propia significa en termos políticos que a marca que impulsa o BNG para as eleccións xerais de novembro sería unha entidade soberana. Dito doutro xeito, que sería plenamente autónoma de calquera outra instancia política. De Madrid, por suposto. Mais tamén dos propios órgaos de dirección do BNG ou de calquer outra forza que apostase nesta fórmula de concorrencia para as eleccións xerais. Sería unha candidatura plural, que agruparía colectivos e persoas, e que tería o seu centro de decisión exclusivamente na Galiza. A proposta de impulsar unha Candidata Nacional Galega de Unidade -enunciada xusto con esa nomenclatura- foi debatida durante estes días nas asembleas abertas convocadas polo BNG, foros de participación abertos a persoas non afiliadas á fronte nacionalista. "Este é un proceso xenuinamente democrático, que se está a decidir por abaixo, un debate colectivo moi participativo", din a Sermos Galiza fontes da dirección do BNG. Recalcan que é un proceso "absolutamente galego". "Sería indigno de nacionalistas condicionar o proceso ao que decidan dirixentes políticos españois en Madrid", engaden. "Esta Candidatura Nacional Galega de Unidade debe estar aberta ao conxunto de forzas políticas e sociais, ben como a toda clase de colectivos e persoas da nosa nación", así reza a proposta-base que se está a discutir nas asembleas abertas e que, segundo puido saber Sermos Galiza, está a ser amplamente asumida polas persoas asistentes. CONSELLO NACIONAL A proposta, en todo caso, deberá ser refrendada no Consello Nacional que o BNG irá realizar o sábado 20 de Xuño. A íntegra desta información, na páxina 7 do semanario Sermos Galiza, disponíbel nos pontos de venda habituais e na nosa loxa.
NOS_44656
O mamífero alado foi o colector de varios virus, moitos deles mortais, que causaron enfermidades en humanos e brotes en diferentes partes do mundo. Crese que os morcegos son o hóspede natural do ébola, da rabia, do SARS e do MERS, estes dous últimos moi semellantes ao coronavirus que causa a COVID-19. O arqueólogo e museólogo Felipe-Senén percorre os significados deste voador na cultura popular.
O nome de morcego está composto da palabra latina "mur" que significa rato, e "cego" que xa confirma todo: rato cego. Ave mamífera, gris escura, de corpo veludo, cara asexante apuntada por orellas atentas, brazos alados, con fina e sedosa membrana artillada en tres partes, con mans e patiñas de cinco dedos... de voar baixo, a bandazos, en zigzag, a voar atoutiñando entre as tebras, na noite, nas covas, nos pardiñeiros, torres, templos sepulturas e lugares de abandono... ceibando agudos e penetrante chíos, ultrasóns. Non entraremos aquí nos tipos de quirópteros morcegos, que haber hainos, até clasificadas 200 especies coas súas variacións de tamaño, físicas e costumes, vampiros, da India, de Exipto, de Filipinas, de Kitti, sendo a China o país que ofrece máis variedades... e mesmo os afeccionados ao tema crearon unha morcegopedia. Quedamos aquí co noso morcego común, tamén coas súas diferencias, arredor do que se creou unha activa Asociación de Morcegos da Galiza. Na Galiza cravábanse vivos, estendendo as súas ás sobre as traseiras das portas, como protección contra os demos dos animais Estraño animaliño voador dos lugares con misterio, sobre o que o mundo e as crenzas populares seguen a tecer prexuízos: criatura considerada sinistra, asociada cos espíritos, cos sinais e compañas do trasmundo, as que tamén se moven na noite, mentres outros dormen. Propicio pois aos ritos de nigromancia, á maxia e aos ritos das meigas, co vampirismo zugador de sangue, que durmindo coa luz do día esperta na noite dos seus cadaleitos para morder e contaxiar. Ave negra, tamén de mala fama na zoonose, isto é, a transmisión ou mutación xenéticas dos virus a través dos animais, dando lugar a diferentes xenotipos dentro da viroloxía causante de enfermidades con diferente incidencia e potencia por idade, sexo... Morcegos asociados á transmisión da rabia, do ébola, do SARS-COV. E nestes días sospeitoso da transmisión do andazo do virulento do novo coronavirus a través do traspaso e a mutación a outro animal. Virus identificado por primeira vez no mercado de especies raras e mariscos da sorprendente cidade china de Wuhan, urbe que combina ancestrais tradicións coas máis sorprendentes tecnoloxías, entre as primeiras o costume dun negocio en mercados sucios e húmidos, sen ningún tipo de seguridade hixiénica de animais exóticos para o consumo alimenticio. Onde se sospeita a orixe desta peste e que ademais reporta tantas incertezas campantes, que pon no brete a sociedade, a cultura, a política e a economía. Virus en proliferación de progresión xeométrica que se expande polo mapamundi e sorprende a ciencia pola súa capacidade de resistencia e difusión. Ameaza global á vida sobre o planeta, que cuestiona costumes e o actual modelo de sociedade: a sanidade, a hixiene, as relacións, entón tamén a cultura e políticas baseadas unicamente no mercado. Entran no debate novos relatos e propostas de futuro, que boa falla facían tamén. Símbolo da luz e das verdades fronte ao escurantismo O morcego segue a ser vello emblema armeiro de brasóns, como o de Valencia, de Mallorca e do barcelonés Consell de Cent, fundacións de Jaime I, monarca moi metido nas crenzas dos seus inimigos islámicos, os que vían no morcego un agoiro celeste de aviso e vitoria fronte a tramas escuras, fronte á cegueira da nocturnidade, como símbolo da luz das verdades. Para Vítor Hugo, gran coñecedor do mundo popular, o morcego significa o ateísmo, o fracaso do espírito, como anxo caído. Para os labregos son intelixentes aliados, inofensivos, insecticidas biolóxicos, axentes do control medioambiental e exterminadores de pragas Para os gregos antigos esta ave do mundo subterráneo, da escuridade, da incerteza mesmo era venerada e temida, asociada cos trasnoitadores: Homero identifícaas con monstros alados. Na mesma Odisea a alma dos defuntos voando no Hades represéntase como os morcegos, aspectos que retoma o poeta latino Virxilio... algo así acontecía cos maias de Centroamérica. Pola contra, na China o morcego é símbolo de boa sorte, de felicidade, interprétase a súa hibernación como a eternidade, asociados coa saúde, coa virtude, co amor, coa fortuna e coa lonxevidade. En xeral considerábase os morcegos de cor avermellada como escorrentadores das tentacións demoníacas. Observaban os antigos, e tíñase moi presente nos bestiarios medievais, a maneira de pasar o día dos morcegos, colgando do teito nos lugares escuros e silenciosos, suxeitos dos pés os uns aos outros, boca abaixo, recollendo o corpo nas súas mesmas alas, como unha bolsa, formando así grupos de acios. Comportamentos tomados polos humanos como de sociedade e de amor. Morcego que no seu voo nocturno non tropeza, que en todas as culturas terá a súa mitoloxía e simboloxía-zoolóxica, de significados ambivalentes, negativos e mesmo tamén positivos, sábeno ben os labregos, que mesmo os ven como intelixentes aliados, inofensivos, insecticidas biolóxicos, axentes do control medioambiental, exterminadores de pragas, de eirugas, mosquitos e outros insectos da noite. Símbolo de vixilancia, de axexo, perspicaz na escuridade. Entendíase que se un morcego pasa á beira de alguén, era como munición de que alguén trama un engano. E se un morcego entra na casa, interpretaríase como ruín agoiro, a súa desgracia. Modas e tradicións galegas arredor dos morcegos Morcego presente nas tradicións ocultistas e alquímicas, as que se basean na súa natureza híbrida de rata-paxaro, como se se tratase dunha mestura de dragón ou demo alado. Animal pois de significación ambigua, contraditoria nalgunhas culturas. Ave moi na observación dos exóticos, excéntricos, teósofos e inadaptados dandis do Decandentismo romántico, aqueles que mesmo se embozaban en capa e apoiaban en nobre caxato, cun camiñar transversal, mesmo inspirado na nocturnidade dos morcegos. Animais que semellan evadirse voando deste mundo para furar nos misterios das tebras. Autoproclamados "inadaptados", seducidos polo encanto vampírico da taumaturxia para inspirar movementos de tradición gótica, os mesmos que renacen na contemporaneidade. Entre estas figuras que tanto atraían e inspiraban a don Vicente Risco, tamén metido en teosofías e bestiarios estraños, está en Huysmans e no parisino dandi señor Marques, Robert de Montesquiou, un referente dentro dese mundo da elegancia nocturna. En moitos lugares, mesmo na Galiza cravábanse vivos, estendendo as súas ás sobre as traseiras das portas, fundamentalmente dos cortellos, actuando como protección contra os demos dos animais e das propiedades. Secábase e utilizábase o seu sangue, a pel e os osiños para remedios de bruxaría, tamén como afrodisíaco, e a iso mesmo fai mención o romano Plinio o Vello. Ave escolleita polos antigos para auspiciar, adiviñar a través do voo, xa que voar representa a liberación, a ascese desde os lastres terreais cara aos deuses. Aves que entre ese conflito escuridade-luz, actúan como mensaxeiras de poderes superiores ou inferiores, para o ben ou para o mal. Morcego do que se extraían remedios aplicados contra a mordedura das serpes, contra a ictericia, como contra as penas e os males de amor... O morcego está moi presente en ritos de tradición celta e xermana. Semellantes aos practicados na Galiza, onde os curandeiros ou curandeiras pasábano vivo polo corpo dos enfermos coa ansia de curarse. Entre os nenos rurais era perseguido para os seus xogos, obrigándoselles a fumar, a inchalos de fume. Mesmo na arte aos anxos caídos, como o orgulloso Luzbel, represéntanse como paxaros frustrados, Lucifer (luz da fondura) Satán. Anxos condenado desde a luz dos ceos ás tebras dos infernos. Demos que se representaran con ás de morcego, articuladas, onduladas e grises. Tamén a envexa, como efecto de espíritos maléficos, que non se manifesta á luz e actúa ás agachadas e entre os buracos, representarase como unha exhalación ou desbandada de morcegos. Animaliños imprescindíbeis entre o contexto das meigas, nos aquelarres e así os atopamos nos influentes debuxos negros de Goya. E sempre nese debate entre o ben e o mal, a luz e a escuridade.
NOS_22387
No número 4 de Sermos Galiza podes atopar temas como "A ofensiva do PP contra a lingua cumpre 5 anos", "Cando o darwinismo político manda", "Ano Vidal Bolaño: abrigo para o teatro" e entrevistas, entre outras, a Antía Cal e Xulia Alonso.
Neste novo número de Sermos Galiza podes atopar temas como "A ofensiva do PP contra a lingua cumpre 5 anos", "Cando o darwinismo político manda", "Ano Vidal Bolaño: abrigo para o teatro" e entrevistas, entre outras, a Antía Cal, Teresa Moure e Xulia Alonso. Ademais as seccións habituais de Política, Economía, Social, Comarcas, Internacional, Memória histórica, Cultura, Crítica, Opinión, Letras, De deseño e Okapi no Courel.
NOS_16762
O candidato socialista define o PSOE como "o partido da igualdade" e fala de "reducir a brecha salarial entre homes e mulleres".
O candidato do PSOE a presidir a Xunta, Pachi Vázquez, propuxo un plan de emprego feminino para dar "traballo a 28.000 mulleres ao longo de toda a lexislatura". Explicou que esta proposta serve para "atender unha de cada catro mulleres que están actualmente no desemprego", cun investimento de 60 millóns de euros anuais. Ademais, o líder socialista tamén propuxo a creación da nova figura a dos "inspectores de igualdade, co fin de reducir a brecha salarial entre homes e mulleres". Advertiu que "non haberá nin unha soa empresa que reciba subvencións se incumpre as leis de igualdade", e resumiu que "non hai que inventar cousas novas, hai que aplicar as que temos". Nun acto celebrado de novo en Vigo, onde @s socialistas pensan que se poden decidir os comicios, e onde participaron tamén o alcalde da cidade e a senadora valenciana Carmen Alborch, Vázquez dixo que o PSOE "é o partido da igualdade, somos os que tiramos polas políticas de igualdade", mais advertiu que "estamos vivindo un momento durísimo e non vale escribirlle cartas aos reis magos". Así, o ex-alcalde do Carballiño aseverou que os "galegos e as galegas están cansados de enganos e de falsas promesas". Ao igual que outras formacións, @s socialistas tamén insisten especialmente neste días na necesidade dunha gran participación e en facerse co apoio d@s que aínda non decidiron o seu sufraxio. "É necesario un pulo final para lograr atraer os e as desencantad@s e os e as indecis@s nos comicios do 21 de outubro", dixo Pachi. Sobre as enquisas, asegurou que "unha ampla maioría de cidadáns quere un cambio, e un 40 por cento confésase indeciso á hora de votar, a desilusión non cambia gobernos, só conduce á melancolía e o que lle fai falta a este país é esperanza, ganas e confianza no futuro. Se unha ampla maioría de Galicia quere cambiar este país o imos cambiar".
NOS_51780
A do Porriño formou parte da primeira parella arbitral exclusivamente feminina na Liga Asobal.
A muller volveu derrubar outro teito de cristal no mundo do deporte, e esta vez a protagonista foi unha galega. Tania Rodríguez, xunto coa súa compañeira Lorena García, xa forma parte da historia do balonmán estatal ao conformar a primeira parella arbitral exclusivamente feminina de todos os tempos. A de Porriño explica que recibiu a noticia da súa designación vía Whatsapp e que quedou "en shock". "Non o cría, porque levaba loitando e soñando moito tempo por este momento", explica. "O feito de que se fixese realidade é unha noticia que sempre queres que chegue, pero cando chega non a esperas", engade. O fito tivo lugar no Palau Blaugrana, onde o Barcelona derrotou Bada Huesca por 39-19 nun choque onde o resultado era o de menos. O importante "é que as mulleres sigamos avanzando", di Rodríguez.
PRAZA_4116
A Xunta remata esta semana a primeira vaga dun proceso con moitas dúbidas pola ínfima porcentaxe de positivos e ao que engadirá a mesma poboación que o Goberno central no seu estudo, que ten probas adicionais e máis fiables.
A Consellería de Sanidade prevé rematar esta semana a primeira vaga de tests do estudo de seroprevalencia co que pretende trazar un mapa epidemiolóxico do coronavirus en Galicia. Unhas 16.000 probas están pendentes para finalizar as 51.000 da primeira fase dun proceso que abranguerá máis de 100.000 persoas e que segue a erguer moitas dúbidas ante a ínfima cantidade de positivos detectados entre a cidadanía. A Xunta pretende rematar esta semana a primeira vaga do estudo epidemiolóxico, que segue a erguer moitas dúbidas pola ínfima porcentaxe de positivos"Arredor do 1% de positivos", atreveuse a vaticinar sobre o resultado final do estudo persoal sanitario encargado das probas, mesmo antes de comezar con elas e ante a escasa fiabilidade que lle presupoñen aos tests. Outros profesionais inclínanse pola posibilidade de que o virus circulase pouco en Galicia e que se concentrase, sobre todo, en focos moi determinados que non están a ser analizados en detalle. Sanidade recoñece que semella que o resultado final do estudo dará unha porcentaxe de prevalencia de menos do 15%. Diversas fontes do Sergas insisten que o resultado final roldará o 1% ou mesmo menos. De ter en conta os resultados que se están a dar en diferentes centros de saúde, non van moi desencamiñados. Así, rematada a primeira vaga do estudo nun centro de saúde dun barrio dunha gran cidade galega, a porcentaxe non acada o 0,6% ao detectarse un único positivo (0,57%), segundo puido coñecer Praza.gal. Noutro ambulatorio, situado nunha vila media da área metropolitana desa mesma urbe, a cifra sobe ao 0,76%, mentres que noutro do mesmo Concello queda no 0,83%. En ambos casos tamén cun único positivo. Noutras localidades, máis rurais e menos poboadas, profesionais do Sergas informan de porcentaxes aínda menores, mesmo do 0,1%.Os resultados do estudo en varios centros de saúde urbanos, de vilas medias e do rural consultados por Praza.gal sitúanse entre o 0,1% e o 0,83% de positivosOs máis de 100.000 tests, enviados polo Goberno central e usados pola Xunta para o mapa epidemiolóxico, identifican os anticorpos totais, polo que non diferencian entre os IgM, que non duran máis de dúas semanas, e os de tipo IgG, que permanecen durante anos e reflicten inmunidade. Xa que logo, non permiten determinar se a persoa está en fase de infección ou xa curada e só son quen de aclarar se estivo en contacto co virus. O Goberno central asegurou a súa fiabilidade e destacou unha sensibilidade dun 80% a partir dos sete días de infección e superior ao 64% en todos os casos. O Sergas asegura que "a sensibilidade aprobada en Europa para o test é do 84,43%" e que a especificidade sitúase no 99,57%. En ambos casos, "absolutamente válidas para realizar unha enquisa de seroprevalencia". Aínda que ao principio no protocolo enviado ao persoal do Sergas --que tivo xa tres versións-- non indicaba a necesidade de facer test PCR --os máis fiables-- a quen dese positivo, agora cada médico de cabeceira "avaliará particularmente cada caso" e reclamará esta proba "se así o precisa para axustar as medidas de ilalmento, prevención ou tratamento", segundo aclara o Sergas. Feijóo, no entanto, asegurara en rolda de prensa que todos os positivos pasarían o devandito test adicional. Queda por ver que fai a Xunta para probar a fiabilidade, logo de recoñecer Feijóo a súa "preocupación" polo baixo número de positivos, o que sería unha boa noticia agora pero mala a medio e longo prazo, ao revelar unha poboación moi vulnerable ante un posible rebrote da epidemia. A Xunta usará a mesma poboación que o Goberno central no seu estudo, que engade probas adicionais e máis fiables que o do SergasA mediados da pasada semana, o presidente da Xunta deixaba caer unha posibilidade: a de cruzar cunha mostra significativa de probas un segundo test máis fiable que poida detectar os falsos negativos que algúns profesionais dan por feitos a esgalla. O pasado domingo, anunciaba en rolda de prensa que utilizaría o mesmo grupo de poboación escollido polo Goberno central a través do INE para o seu propio estudo para así "confrontar" resultados. "Á vez que facemos o estudo epidemiolóxico do Goberno ás 6.000" persoas que lle corresponden a Galicia --dun total de máis de 60.000 persoas en todo o Estado--, a Xunta realizarlles tamén o test de anticorpos usados para o proxecto do Sergas."Así confrontamos a fiabilidade", dixo Feijóo, dos tests masivos da Xunta co resultados "da extracción sanguínea" que inclúe o estudo de seroprevalencia do Executivo central. Aí está a diferenza. Mentres que en Galicia se abre a posibilidade de facer unha proba PCR a aquelas persoas que dean positivo, no proceso levado a cabo polo Ministerio de Sanidade prevense obter de maneira adicional mostras de sangue por venopunción en todos aqueles pacientes que dean o seu consentemento. O obxectivo é, segundo o Ministerio, "asegurar a fiabilidade dos resultados e aplicar o máximo rigor metodolóxico" ante a sensibilidade dunha proba que, cunha única picada nun dedo, como no caso da do Sergas, "ten unha sensibilidade superior ao 80%", unha "información relativa á súa precisión diagnóstica obtida en grupos moi concretos de pacientes", polo que "se descoñece se pode extrapolarse ao conxunto da poboación". O estudo do Ministerio engade unha mostra de sangue por venopunción para aumentar a fiabilidade dun estudo que avalía tamén a evolución da epidemiaXa que logo, o estudo do Goberno central engade outra proba máis fiable e sofisticada. Ademais, mentres que o da Xunta se basea nunha análise de cada persoa a través da punción nun dedo e unha pequena enquisa, ao do Ministerio inclúe varias visitas a cada un dos fogares seleccionados para "avaliar de forma dinámica a evolución da epidemia" e determinar así se todas as persoas que conviven no mesmo domicilio "desenvolven anticorpos ao longo do período de estudo". A elección de 36.000 fogares en todo o Estado e a decisión de facer a proba a varios membros da familia en todos os casos débese, segundo o Goberno central, a que "facilita a representatividade da mostra e pode permitir diferenciar entre as novas infeccións que se producen por transmisión comunitaria e as que se poidan estar producindo dentro das casas". É un deseño, segundo engade, "insipirado nas recomendacións da OMS para estudos de seroprevalencia fronte ao SARS". É, tamén, unha forma de controlar os contactos das persoas analizadas e das que dean resultado positivo, unha opción que non é tan detallada no estudo da Xunta e que foi unha eiva criticada tamén por profesionais do Sergas que se preguntan se non sería máis útil centrarse nos infectados e a súa contorna e non "en tantos milleiros de tests para o que non deixa de ser unha enquisa".
NOS_1698
A directora xeral do Fondo, Christine Lagarde, recibiu a confirmación do pagamento de Varufakis, ministro de finanzas grego.
Grecia pagará esta quinta feira o pagamento pendente de 450 millóns de euros do crédito concedido polo FMI. A propia directora xerente do Fondo Monetario Internacional, Christine Lagarde, confirmou a nova após a xuntanza mantida co ministro de Finanzas grego, Yanis Varufakis. Un encontro cualificado como "informal" por ambas as dúas partes, e no que se centraron en analizar o programa de reformas de Grecia. O pagamento dos 450 millóns de euros farase esta quinta feira, 9 de abril. Lagarde e Varufakis coincidiron en que a incerteza non é boa para Grecia e subliñaron a aposta común nunha "cooperación efectiva" que favoreza a reactivación económica e a creación de emprego. Esta fin de semana o vice-ministro grego de Finanzas, Dimitris Mardas, xa sinalara que hai cartos para facer fronte ao pagamento da débeda, así como para pagar salarios, pensións e outros compromisos. O Estado grego ten que facer fronte este mes a 650 millóns de euros en obrigas exteriores: 450 millóns ao FMI e outros 200 en pagamento de intereses de débeda. Ademais, debe substituír 2.400 millóns de euros en Letras do Tesouro que vencen en abril. O goberno heleno agarda que coa aplicación das novas reformas presentadas aos socios do Grupo de Bruxelas poida recadar por volta duns 6.100 millóns de euros adicionais.
NOS_55932
"Mariñáns e montañeses, homes traballadores e honrados, saúde". Así comeza o discurso que Manuel Lugrís Freire pronunciou o 6 de outubro de 1907 en Betanzos e que está considerado primeira intervención pública de carácter político en lingua galega. A RAG recupera na súa páxina web o texto, publicado en ANT, neste inicio de campaña.
A Real Academia Galega ven de recuperar na súa páxina web o discurso de Manuel Lugrís Freire, fundador da institución, que está considerado a primeira intervención política en lingua galega nun acto público. Trátase do discurso pronunciado o día 6 de outubro de 1907 no que o xornalista e escritor explica as razóns que o levan a dirixirse en galego á audiencia: "primeiramente, porque d´este xeito entenderédesme mellor, e despis porque un boletin da Cruña, que para escarnio e vergonza do bon sentido leva o nome santo da nosa terra, dixo que se hoxe se vos parolaba en gallego, na fala que adeprendimos das nosas nais, na fala querendosa en que vosoutros namorástedes ás compañeiras da vosa vida e dos vosos infortunios, mais cariñosas dos vosos fillos, enterraríase no ridículo a propaganda de redención, de verdadeira libertá, que alborexa para esta terra". O texto da intervención foi publicado no número 11 do xornal A Nosa Terra e, despois da explicación das razóns que o levan a empregar o galego, recóllese unha palabra entre paréntese: "Aprausos"- Fundador da Liga Gallega da Coruña e da propia Real Academia Galega, en 1907, Lugrís Freire participará tamén na organización de Solidaridad Gallega, iniciativa na que militará activamente e que promoverá a través de intervencións públicas como este primeiro discurso galego pronunciado en Betanzos. A intervención de Lugrís Freire, cun ton intenso e reivindicativo, transcorrerá despois pola denuncia da emigración galega. "Din por ahí que a emigración é cousa boa" comeza Lugrís Freire para se adentrar na súa posición arredor da sangría que estaba a provocar en Galiza a marcha de poboación. ""Pero eu, mariñáns, que tamén fun emigrante, podo decirvos que é boa, como é bon que un sentenciado á morte negra, fuxa, se pode, do cárce; como un home fuxa da terra inzada de lobos, como o paxaro fuxa do cobo das víboras".
NOS_58015
Poderíase falar dunha sétima onda da pandemia da Covid na Galiza, a Consellaría de Sanidade incluso cree que a incidencia está ao nivel do pico máximo de toda a pandemia.
Poderíase falar dunha sétima onda da pandemia da Covid na Galiza, nun contexto no que a incidencia no país está a subir dunha maneira importante. As persoas hospitalizadas con Covid-19 na Galiza ascenderon até as 745. Son 70 máis que as rexistradas na xornada do sábado. Coronavirus Galiza: a incidencia, disparada entre a poboación maior de 60 anos A Consellaría de Sanidade incluso cree que a incidencia está ao nivel do pico máximo de toda a pandemia. "Calculamos que estamos en valores similares aos de xaneiro", dixo esta segunda feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Segundo os datos actualizados ofrecidos pola Consellaría de Sanidade, ascenden a 21 as persoas hospitalizadas en UCI pola Covid, dúas máis, e a 724 as ingresadas en unidades convencionais, 68 máis, mentres que as 15.836 restantes fican en seguimento nos seus domicilios. Os efectos do coronavirus no cerebro poden producir covid persistente Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en todas salvo na de Ferrol, cun paciente máis en UCI pero con tres menos en planta. Polo que respecta aos casos activos, os datos apuntan a un cambio de tendencia, xa que descenden no conxunto do país até os 16.581, 1.406 menos que o sábado pasado. O descenso é xeneralizado nas sete áreas sanitarias galegas, pois se ben a semana comezou cun reconto de novos contaxios por baixo do millar, aínda que moi próximo a esa cifra, Sanidade informou agora de 852 novos casos abertos nas últimas 24 horas computadas tras detectarse 2.039 desde o pasado sábado. Coronavirus Galiza: a taxa de positividade por Covid dispárase até 42,04% Con respecto aos falecementos, desde o inicio da pandemia a Galiza rexistrou un total de 3.345 vítimas diagnosticadas con Covid-19, logo de notificar a Consellaría de Sanidade outros dous falecementos. Por último, no referente ás residencias de maiores, o último informe do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), con datos actualizados até o 24 de abril, confirma un total de 856 persoas internas nestes centros falecidas desde o inicio da pandemia -o 14 de marzo de 2020 na Galiza-, seis delas na última semana contabilizada, do 18 ao 24 do mes pasado. No conxunto do Estado español a cifra elévase até as 22.652 vítimas mortais. A Xunta reclama un acordo para unha cuarta dose en maiores A Xunta da Galiza quere que se autorice canto antes a cuarta dose da vacinación contra a Covid nas persoas maiores de 80 anos, mais non quere tomar a decisión de maneira autónoma, senón que sexa común a todo o Estado español.
NOS_55235
A eurodeputada de AGEe interpelou o executivo comunitario sobre a súa opinión a respeito de as vacinas seren de prescrición obrigatoria para as populacións. Senra foi desautorizada por Anova, En Marea e EU. A confluencia afirma que Senra non está vinculada organicamente a ela e o secretario de Organización de EU chámaa tránsfuga.
A iniciativa -unha pergunta por escrito- rexistouna Lidia Senra en agosto pasado e nela a europarlamentar puña en destaque a existencia de serias dúbidas sobre a toxicidade dalgúns dos componentes das vacinas para os seres humanos. "As vaciñas conteñen aluminio, escualeno, antibióbitos e polisorbato, entre outros componentes. Aliás, teñen efeitos colaterais, contraindicacións e moitos efeitos secundarios e adversos que poden aparecer após a vacinación, chegando en algúns casos a provocar a morte", afirma Lidia Senra no texto da cuestión parlamentar. Pedía a eurodeputada de AGEe que "as familias e o persoal sanitario" fosen correctamente informados sobre os "efeitos secundarios que pode producir cada componente das vacinas" e que se instaurase o "consentimento informado". Senra quería saber se a Comisión non partillaba con ela a idea de que a vacinación non debería ser obrigatoria sendo que "ningúen puido demostrar a seguranza das vacinas". Desautorización Este mesmo sábado, Anova e En Marea enviaron á imprensa senllos comunicados de desautorización desta iniciativa. A formación liderada por Antón Sánchez afirma que "a posición expresada na dita iniciativa non foi consultada nin é compartida por esta organización política" e, nese sentido, engade que "as decisións sobre iniciativas políticas da representación política deben ser sempre colectivas; o contario é faltar ao compromiso co eleitorado". Salienta Anova que "a vacinación sistemática da poboación supuxo nas últimas décadas un avance notorio na saúde pública, na medida en que conseguiu erradicar ou minimizar ostensibelmente a transmisión de enfermidades infecciosas que noutro tempo foron mortais ou indutoras de graves secuelas". Se ben é certo que "a influencia da industria farmacéutica e dos seus intereses meramente mercantilistas non se pode obviar", este aspecto da cuestión "non nos pode levar a considerar as vacinas como elementos prescindíbeis para a saúde pública". Por súa parte, En Marea afirma nun comunicado que non comparte a "posición política nen científica" da iniciativa e enfatiza que Lidia Senra "non está ligada organicamente ao espazo político". Neste úlitimo sentido, a confluencia puntualiza: "Aínda que Lidia Senra fose eleita nunha lista pertencente á AGEe, e as relacións que mantén co espazo de confluencia son de cooperación, nen esta deputada está ligada organicamente a En Marea como parlamentar nen en modo nengún a súa iniciativa representa a posición política de En Marea". Rubén Pérez Porén, as críticas máis duras a Lidia Senra chegaron desde Esquerda Unida. En declaracións a Europa Press, o seu secretario de Organización, Rubén Pérez, carga contra a eurodeputada por na práctica terse desligado de AGE e por "manter a acta", no que constituiría un "claro caso de transfuguismo". Rubén Pérez di que EU non recoñece Lidia Senra como a súa eurodeputada, sendo que "funciona" como "non adscrita" e que "non rende contas a ninguén".
NOS_50974
Publicamos aquí un artigo da filóloga e investigadora Ánxela Lema, no caderno de análise A Fondo do 25 de xuño de 2015, nun especial sobre María Victoria Moreno coordinado por A Sega.
A nosa celebración do II Día das Galegas nas Letras chega este ano cheo de forza, enerxía, aire xuvenil mais, sobre todo, chega con esa vontade de romper cun imaxinario que nos afoga desde a nenez. Por que María Victoria Moreno? Ben, e por que non? Hai quen pensa que desde A Sega só queremos romper coas estatísticas, que só queremos colocar un número máis como se dunha veleidade de nenas pequenas se tratase. Non queremos romper coas estatísticas, queremos devolvelas ao que debería ser o seu estado primario e ao seu xeito natural de funcionar. Queremos, precisamente, romper cunhas estatísticas construídas baixo a ollada masculina que nos venden e achegan como lóxicas e únicas, e que non fan máis que silenciarnos e ocultarnos. E así foi que entre un grupo de mulleres, poetas, nais, amigas, e moitas outras etiquetas que se nos poderían colocar, decidimos que non, que se non se fai facémolo nós. Acabou o tempo de laiarnos, de agardar en posición cansativa e choromica a que falen de nós e actúen por nós. É o tempo de facer do día das letras, por fin, un día de alegría e celebración, un día que lle dedique un mínimo de tempo a pensar na contribución real, voluntaria e decisiva que se ten feito á nosa literatura, á nosa cultura e ao noso imaxinario, e ese foi, sen dúbida, o papel que desenvolveu María Victoria. Fixeron moi mal en colocarnos na marxe porque decidimos organizarnos e facer forza. Decidimos contruírnos a nós mesmAs e facer moito ruído María Victoria decidiu falarlle a aquel conxunto da sociedade que a maior parte das veces se subestima e ao que non lle ofrecemos o tempo e a pausa que se merece porque dubidamos da súa capacidade crítica e de razoamento. Moreno decidiu falarlle ás máis pequenas porque sabía que era necesario transmitirlles que existía un outro mundo onde elas podían ser protagonistas. Un outro mundo que falaba delas nos seus propios termos. Decidiu falarlles sen contos de fadas de por medio, sen un círculo perfecto en que nos metían os príncipes e no que tiñamos que vivir en actitude submisa, e sen ningunha dificultade porque é absurdo debuxar un mundo sen obstáculos e inxustizas. É preciso observar o que temos diante e coñecer as ferramentas coas que facer que iso mude, porque as hai e tan só é preciso saber como empregalas. Que hai máis importante e bonito que poder abrirlle os ollos a alguén que se encontra nunha fase na que todo é novo, na que todo está por coñecer e investigar? Coa celebración do noso II Día das Galegas nas Letras procuramos, dunha ou doutra maneira, agradecerlle a María Victoria o legado literario que nos deixou e que acompañará as nosas casas e construirá as lentes de moitas nenas coas que resignarse ao que a sociedade lles achega como automático e único. Hai outro camiño, hai unha outra realidade e María Victoria contribuíu de maneira decisiva a construílo. A figura de María Victoria Moreno serve, tamén, como maneira de reivindicar unha boa parte da nosa literatura como é a infantil e xuvenil. Basta xa de barreiras literarias creadoras da marxe e da desigualdade até nun mundo que consideramos ficcional e que non deixa de ser un espello desta realidade, desta natureza que nos afoga en valores dicotómicos baseados en que algo debe ser mellor e algo peor. Fixeron moi mal en colocarnos na marxe porque decidimos organizarnos e facer forza. Decidimos contruírnos a nós mesmAs e facer moito ruído. Ruído festivo, ruído cheo de alegría, de festa e celebración por todo o camiño que se fixo na nosa literatura e, sobre todo, por todo o que queda por facer. O II Día das Galegas nas Letras procura facer ver o que foi posíbel, facer ver que temos moitos referentes cos que afrontar un futuro que nos pintan escuro e difícil mais que na nosa man está colorear e escribir ao noso xeito.
PRAZA_9860
Alberto Garzón acompañou os candidatos e candidatas galegas no Teatro García Barbón. "Cando o PSOE está forte goberna con políticas de dereitas. Temos a oportunidade de elixir unha alternativa para as maioría sociais", advirte a formación
En Común celebrou en Vigo o seu acto central deste sábado. Foi ao mediodía, no Teatro García Barbón, onde Alberto Garzón acompañou os candidatos e candidatas galegas. O encontro fixo fincapé na axenda social e reclamou forza para que un futuro Executivo goberne "ao servizo das maiorías sociais", coas "mans libres" e sen "depender dos poderes económicos"."Só nós podemos facer que o Goberno mire polos intereses da xente", dixo Yolanda DíazYolanda Díaz, candidata ao Congreso pola circunscrición de Pontevedra, criticou ao PSOE por non levar a cabo medidas como derrogar a reforma laboral, intervir o prezo da luz ante os abusos das eléctricas ou reclamarlle á banca que devolva os 60 mil millóns de euros do rescate porque "ten débedas cos poderosos". Fronte a isto, reclamou o voto para En Común Unidas Podemos porque "só nós podemos facer que o Goberno mire polos intereses da xente". Díaz sinalou que na última lexislatura "conseguimos a subida do salario mínimo porque tiñamos 69 deputadas e deputados. Precisamos forza para defender á xente do noso país e para conseguir que se siga subindo o SMI". "O PSOE presume dos permisos de paternidade e maternidade igualitarios ou do subsidio a maiores de 52 anos, pero esas medidas saíron adiante grazas a nós", engadiu."Gustaríame que a xente nova deste país tivese un salario mínimo máis alto para poder formar unha familia e pagar alugueiros. Iso si é ser provida, reclamar unha vida digna"Pola súa banda, Alberto Garzón, fixo fincapé na súa intervención en loitar contra a "normalización da precariedade laboral". "Hai dez anos ser mileurista era un drama, pero hoxe dinnos que é un privilexio. Que proxecto de vida podes armar con ese salario e se non sabes se terás traballo a semana que vén?", dixo. Garzón concluíu que "esta candidatura é a única que pode resolver os problemas desde a raíz".De igual xeito, o candidato ao Congreso pola Coruña, Antón Gómez Reino, advertiu de que "o PSOE cando está forte goberna con políticas de dereitas. Por iso é tan importante un goberno no que esteamos, para recordarlle cal é o camiño. Temos a oportunidade de elixir unha alternativa para as maioría sociais". Para Gómez-Reino é imprescindible formar "un Goberno valente que se comprometa coa memoria histórica, que pode quitar a Cruz do Castro, ou que protexa os nosos sectores produtivos. Sabemos que o PSOE non o vai facer, e esta cidade merece algo mellor". E concluíu asegurando que "temos a posibilidade de poñer a Galicia no centro do Goberno, o 28A saímos a gañar"."O PSOE cando está forte goberna con políticas de dereitas", advertiu Gómez ReinoFinalmente, Ángela Rodríguez, número 2 da lista pola provincia de Pontevedra, centrou a súa intervención na importancia de que "o feminismo esté presente de xeito transversal nas políticas do próximo Executivo". "Somos feministas e somos pro-vida. Gustaríame que a xente nova deste país tivese un salario mínimo máis alto para poder formar unha familia e pagar alugueiros. Iso si é ser provida, reclamar unha vida digna".
NOS_30945
Este sábado apresentouse na cidade do Lérez o Colectivo Feministra de Pontevedra, unha entidade que nace do impulso de cinco asociacións e dunha trintena de mulleres a título individual, segundo informa a nova organización en nota de imprensa.
O lema co que nace este colectivo é "unidade, diversas e combativas" e a súa primeira presidenta é Vicky Estévez. A nova entidade di conxugar a "experiencia do feminismo de a pé de rúa" cunha "visión teórica e profesional de nivel", características que farían do colectivo "unha entidade diversa, plural e heteroxénea na que os espazos de debate entre as súas integrantes e o intercambio de propostas constitúen ideas fundacionais irrenunciábeis". Proponse como un colectivo aberto e transversal ao que calquera persoa feminista pode aderir e para iso poñen a disposición das "organizacións ou persoas interesadas" o seu perfil de Facebook -Colectivo Feminista Pontevedra- ou o seu correo electrónico [email protected]
NOS_38299
Comeza o Festival de Cine Internacional de Ourense -decorrerá entre o 28 de outubro e o 5 de novembro- e faino coa proxección de Santoalla, un documentario de Andrew Becker e Daniel Mehrer, que participarán do acto inaugural.
A XXI edición do OUFF abre na noite da sexta feira cunha gala inaugural na que se proxectará o filme Santoalla, de Andrew Becker e Daniel Mehrer, un documentario que conta a historia de Martin Verfondern, holandés desaparecido en Petín en 2010. A fita xira arredor dunha parella de holandeses cuxo soño era vivir no campo e foron dar a Santoalla, a aldea en que Chano Piñeiro gravou Sempre Xonxa. Alén de Santoalla, o XXI Festival Internacional presentará unha selección das producións cinematográficas e audiovisuais máis innovadoras, entre elas, case vinte películas galegas. Así, na competición iberoamericana competirán Manuel Vilariño. Ser luz, de José Manuel Mouriño e Angélica (una tragedia), de Manuel Fernández Valdés. Aliás, noutras seccións proxectaranse O Rebelde, de Óscar Doviso; Visións, de Xisela Franco e Beli Martínez; Jeanette, de Xurxo Chirro; Sin dios ni Santa María e Montañas ardientes que vomitan fuego, ambas as dúas de Samuel M. Delgado e Helena Girón; Verengo, de Víctor Hugo Seoane; Share o No Share, de Juan Hervella Rego ou El pozo, de Héctor Domínguez-Viguera. Nesta XXI edición, o OUFF contará cunha maior presenza feminina nos postos de dirección das películas da competición de óperas primas, un total de 7 mulleres encabezan 11 filmes. Manu Yáñez, Miriam Reyes e Luis López, na competencia iberoamericana, e Maialen Beloki, Felipe Lage e Miguel Valverde, na de óperas primas, integran o xurado. Podes consultar a programación por días na seguinte ligazón.
PRAZA_4768
Mario Benedetti pregúntase nun poema o que lle queda por probar á xuventude: só grafitti, rock, escepticismo? Unha inquedanza semellante arredor do mundo adolescente e a lectura levou en diferentes momentos e lugares a que un grupo de docentes se coñecesen, trabasen amizade e compartisen a súa paixón pola poesía. A preocupación polo feito de que o alumnado non participase deste namoramento fixo o resto.
Mario Benedetti pregúntase nun poema o que lle queda por probar á xuventude: só grafitti, rock, escepticismo? Unha inquedanza semellante arredor do mundo adolescente e a lectura levou en diferentes momentos e lugares –xornadas de bibliotecas,congresos de Leer.es…– a que un grupo de docentes se coñecesen, trabasen amizade e compartisen a súa paixón pola poesía. A preocupación polo feito de que o alumnado non participase deste namoramento fixo o resto. Nos IES de Poio, Sanxenxo, no Ribeira de Louro do Porriño, no San Paio de Tui e no CEIP da Lama, profesorado do ámbito das linguas e das bibliotecas escolares decidiu darlles a probar ás mozas e mozos poesía, preferentemente en formato dixital, e crear unha comunidade poética intercentros. Gustoulles tanto que este curso repiten a andaina lírica que comezaron hai un ano, EnREDando versos. "Coincidiamos na diagnose do problema: os nosos mozos e mozas consideran a poesía aburrida, doutro tempo, pensan que todos os poetas están mortos e só aparecen nos libros de texto, que a poesía non ten nada que ver coa súa realidade, as novas tecnoloxías, internet, as redes sociais…", sinala Anxos Rial, profesora de galego no IES de Poio. Feita a análise, apostouse por unha liña de traballo colaborativo que conxugase tecnoloxías e poesía, unindo adolescentes de distintos centros nunha actividade común de carácter poético. A distancia entre os centros puido ser salvada grazas á plataforma Etwinning.net de centros escolares de toda Europa, que permite e promove a colaboración empregando as tecnoloxías da información e comunicación. Este curso, aos centros galegos implicados en enredar versos sumóuselle un centro portugués a través desta rede social pechada, na que todo o alumnado tivo que presentarse aos demais a través dun acróstico realizado co seu nome. O primeiro obxectivo, ao longo do curso pasado, foi recoñecer a poesía como algo vivo, poñéndolle rostro a autoras e autores a través da súa páxina web O primeiro obxectivo, ao longo do curso pasado, foi recoñecer a poesía como algo vivo, poñéndolle rostro a autoras e autores a través da súa páxina web, o que permite un achegamento máis directo á súa obra. Promoveuse tamén que o alumnado realizase as súas propias creacións poéticas, relacionadas con datas sinaladas do calendario escolar:acrósticos no día da biblioteca, caligramas no día da paz, haikus no día da poesía… Para ensinarlles a arte de nomear mesmo o inefable, desde os centros realízanse obradoiros con diversos poetas, o que lles permite constatar non só que non todos os poetas están mortos, senón ademais que a poesía pode ser unha fonte de pracer. Este curso, o alumnado de 2º e 3º da ESO realizou xa un encontro poético con Raúl Varas en Salamanca, que incluíu a lectura de poemas en lugares emblemáticos da cidade. "Descubren que a poesía é algo entretido, divertido, collen outra sensibilidade… Na aula nótase un montón, sácanlle moito proveito: melloran a súa expresividade, fan mellores creacións… as calificacións tamén melloran", comenta Anxos. "Este ano estamos traballando a poesía visual, audiopoemas e biopoesía. Montamos un vídeo realizado con fotografías e un poema de Helena Villar Janeiro, polo 25 de novembro, contra a violencia de xénero. Agora mesmo estamos traballando na creación dos seus propios collages, coas texturas e montaxes que escollan, e mais os poemas". Seguir a ler n'O patio das ideas
NOS_11027
Persoas expertas sinalan a 'Nós Diario' que, sen os avances na inmunización da poboación galega, o elevado número de contaxios rexistrado este verán tería provocado "un masacre". Aliás, ven "lóxico" que sigan a ingresar nas UCI doentes con coronavirus, e apuntan que esta enfermidade seguirá a infectar ano tras ano "como a influenza".
Entre os meses de xuño e agosto do presente ano faleceron na Galiza 150 persoas coa Covid-19, un dato que contrasta co rexistrado no mesmo período de 2020, con 29 decesos. A simple vista pode resultar sorprendente esta gran diferenza, mais as fontes expertas consultadas por Nós Diario explican os motivos. O médico especialista en Análises Clínicas Luís Vázquez salienta que, mentres neste verán houbo perto de 50.000 contaxios, no anterior non chegaron a 5.000: "Daquela sairamos do confinamento máis duro, entre marzo e finais de maio, e cando volvemos saír ás rúas o contador estaba practicamente a cero. Mais, a pesar de se rexistrar menos mortes, a taxa de letalidade foi de 0,48%, mentres no verán actual é de 0,28%, case a metade, grazas a que xa están vacinados os principais grupos de risco". A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo (UVigo) África González, pola súa banda, apunta: "Hai que ter en conta que na Galiza houbo moi poucos casos durante a primeira vaga en comparanción con outros territorios, porque fechamos moi cedo. E este verán, en cambio, déronse distintas circunstancias como a chegada da variante Delta, o cansazo xeral da poboación pola pandemia e a relaxación das medidas, o que provocou que máis xente marchara de vacacións, organizara xuntanzas familiares... En definitiva, máis movemento e máis casos". A este respecto, incide: "O virus segue aí, e a Delta non é só máis contaxiosa, senón que tamén duplica o risco de hospitalización". González vén de publicar o libro Inmunopower, no que explica o funcionamento do sistema inmunitario ante doenzas coma a Covid-19: "Gústame velo como un castelo defendido por soldados listos para actuar, que ofrecerían a primeira resposta fronte ao virus, e os francotiradores, que serían os anticorpos que obtemos coa vacina e cuxos disparos son máis precisos. A vacina da Covid-19 impediu a morte de milleiros de persoas; sen ela, o número de falecementos deste verán sería moito maior". "Xa non morre xente pola Covid, senón coa Covid" Nacho Ramil, médico internista do hospital HM Modelo da Coruña, considera que, debido á notábel diferenza de contaxios entre o pasado verán e o actual, a comparación máis axeitada sería coa terceira vaga da Covid-19. "En xaneiro deste ano tivemos unhas cifras de positivos moi semellantes ás de principios de agosto; con todo, a porcentaxe de ingresos hospitalarios e de falecementos reduciuse de forma significativa", explica. De feito, entre xaneiro e marzo de 2021 —cando se comezou administrar a vacina— producíronse 932 mortes, cunha taxa de letalidade que superou o 1%. Ramil salienta a importancia da vacinación na redución da mortalidade: "Se en 2020 tivésemos vivido como en 2021, con restricións tan baixas como as actuais, o pasado ano sería un auténtico masacre". Así as cousas, o doutor lembra que "hai unha porcentaxe de xente que ten máis risco de que a vacina lle resulte eficaz". Mais a meirande parte das persoas ingresadas nos hospitais non obtiveron aínda a pauta completa, quer porque non foron chamadas, quer porque non se quixeron vacinar. Tamén volven ás unidades de críticos persoas maiores que xa foron inmunizadas: "A diferenza é que antes ingresaban polos síntomas da Covid-19, e agora fano coa Covid-19, porque malia teren o virus trátase de persoas inmunodeprimidas que tamén terían ingresado por unha influenza. No inverno probabelmente veremos moitos maiores nas UCI", prevé o internista. "Segundo a tendencia que estamos a ver, o coronavirus vai ser unha infección endémica como a influenza ou calquera virus respiratorio, e todos os anos haberá un número determinado de ingresos e de mortes que debemos asumir", engade Luís Vázquez.
NOS_37062
Entre as súas demandas figuran "retomar os compromisos cos sindicatos e a cidadanía" ademais da derrogación das reformas laborais e das pensións.
As rúas da Galiza volveron ser protagonistas este 1 de maio das mobilizacións sindicais en forma de manifestacións nas principais cidades e vilas galegas. Os sindicatos CCOO e UXT mobilizáronse conxuntamente este 1 de maio, nesta ocasión coa idea de reivindicar que "agora toca cumprir" ao Goberno español coa clase traballadora galega. Entre as súas demandas figuraron "retomar os compromisos cos sindicatos e a cidadanía" ademais da derrogación das reformas laborais e das pensións. As manifestacións, unha decena, mais cunha mobilización central desde as 11.30 horas no cruzamento de Vía Norte con Urzáiz, tiveron lugar en todas as cidades galegas con horarios que variaron entre as 11.30 e as 12.30 horas. Así, pasadas as 11.30 horas púxose en marcha a manifestación convodada por CCOO e UXT, cunha afluencia de preto dun milleiro de persoas (580 segundo a Policía Local), e na que participaron os responsábeis galegos de ambas as organizacións, Ramón Sarmiento e José Antonio Gómez. Durante a marcha que decorreu en Vigo, traballadoras e traballadores do metal irromperon na manifestación acusando estas formacións de "traizón sindical" polo convenio no sector. Traballadoras e traballadores do metal irrompen na manifestación de UXT e CCOO deste 1 de Maio en Vigo acusándoos de "traizón sindical" polo convenio do sector pic.twitter.com/i3prPL5tCA— Nós Diario (@NosDiario) May 1, 2021 En comparecencia ante os medios de comunicación, o secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, avogou pola necesidade de "recuperar a presenza nas rúas" por parte da clase traballadora, nun punto no que "se está aproximando un momento crucial" para a saída da crise. Así, citou casos como o do sector financeiro, o da limpeza e o da conserva, para advertir de que o "esforzo da clase traballadora non merece estas formulacións do capital e das plataformas empresariais". Durante o acto, Sarmiento declarou que "estamos comprometidos para facer deste duro episodio [en referencia á crise sanitaria] unha oportunidade para a clase traballadora. Hai que facer reformas atendendo ás demandas da maioría social", proclamou, e engadiu que este 1 de maio "é un día de expresión de dignidade". Urxen a modificación da reforma laboral Ao Goberno estatal, "máis aló do discurso", urxiulle a tomar "decisións concretas" ao ver "necesaria" a modificación "xa" da reforma laboral. No tocante á Xunta da Galiza, Sarmiento solicitou que o terceiro plan de rescate fronte á crise da Covid-19 incorpore a cláusula de salvagarda do emprego "se queren contar" coa participación das organizacións integradas na mesa do diálogo social (UXT e CCOO). Por outra banda, o responsábel de UXT, José Antonio Gómez, cualificou de "imprescindíbel" a derrogación das reformas laboral e das pensións, así como a subida do salario mínimo interprofesional. Neste sentido, Gómez sinalou a necesidade de "reforzar os servizos públicos", especialmente aqueles que serviron para coidar as persoas na pandemia, como os sociosanitarios, que xa arrastraban unha gran "deterioración" logo da crise de 2008. Para o que será necesario, segundo indicou, reformar as politíticas impositivas, para "que paguen máis os que máis teñen", así como "combater a fraude e a evasión fiscal". Precisamos "reforzar os servizos públicos", dixo José Antonio Gómez, desde UXT Así mesmo, lamentou que "se está ouvindo falar de baixar impostos e esa conta non dá", á vez que interpretou que os fondos europeos Next Generation "son unha esperanza, unha oportunidade, mais bótase en falta que neses pseudoproxectos non se fale para nada de emprego". Por todo iso, finalizou, é "o momento de volver tomar as rúas".