ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_16678
Hai cancelacións puntuais, mais tampouco cesan os anuncios de novas propostas musicais con artistas nacionais e estatais. O sector das orquestras, especialmente castigado pola crise sanitaria na Galiza, desconfía do apoio que están dando os concellos, pois non entende a diferenza de criterios entre unhas e outras iniciativas. No medio do debate xorde outra polémica: por que non hai unha aposta na música galega para deixar o investimento na Galiza?
É tempo de festivais. Esta oferta habitual nos veráns galegos vai en aumento en 2021 en detrimento das tradicionais verbenas. Aliás, agás as citas xa consolidadas no almanaque, as novas propostas contan pouco, ou nada, coa rede de artistas e bandas galegas que poderían enriquecer o cartel. É a eclosión de festivais deste estío un avance do que serán as festas galegas no futuro? Estas iniciativas privadas que hoxe collen a quenda das orquestras -sexa ou non consciente esa substitución- quedarán estabelecidas para botar por terra as sesións vermú e as multitudinarias celebracións patronais nocturnas que enxalzan París de Noia, Panorama ou El Combo Dominicano á categoría de ídolos de masas? Que na Galiza se aposte por citas musicais alternativas ás verbenas, con ou sen grupos da terra, non é novo. Porén, si o é a enorme eclosión de novas propostas xurdidas de mans privadas ao abeiro do apoio municipal. Aínda que hai opinións dispares sobre se estes eventos nacen como substitutos das verbenas de toda a vida -as da comisión de festas pedindo cartos polas casas e o bochinche traballando a fartar-, na práctica, en realidade, son iso. Son ofertas festivas que chegan nunha campaña estival na que apenas hai programadas verbenas, entre outras cuestións, pola suposta falta dun apoio municipal que si impulsa as iniciativas musicais privadas. Ao Son do Camiño, o Sinsal, o Portamérica ou o Resurrection Fest foron sumándose nos últimos anos accións como Caudal Fest, en Lugo, ou Vive Nigrán. Cun verán bastante parado a nivel musical como precedente este ano lanzáronse proxectos como Pasatempo Fest, en Betanzos; Morriña Fest, en Culleredo; Underfest, en Vigo; ou Riazor Live, na Coruña, por falar só dalgúns exemplos. Malia que a estas alturas este último -con certa polémica- foi adiado pola situación epidemiolóxica, os eventos contan co apoio e mesmo traballo de promoción dos concellos. Todo a pesar de que, con nomes aínda por anunciar, os que van soar sexan Mala Rodríguez, Nathy Peluso, Raúl Refree, Lola Índigo, Prok, The Mystery Lights, Bad Gyal ou Morat, entre outros moitos. Ademais, unha das iniciativas con maior aposta por Galiza e o tecido local, o Festigal, tamén quedou no camiño até o ano próximo. "As bandas locais teñen moitas dificultades porque os festivais non teñen capacidade de lanzalas porque o público busca propostas máis concretas", Julio Gómez Unha situación que responde á "oferta e demanda" Respecto da carencia da oferta galega neses carteis, que xa se deixaba notar segundo publicou en xuño Nós Diario -"O Monte do Gozo acollerá este ano unha edición especial do Festival Son do Camiño, o Son do Camiño 'Perseidas'. No cartaz apenas hai representantes da música galega nin presenza feminina"-, alguén do talle de Julio Gómez, codirector do Festival Sinsal desde as súas orixes, descarta que esa elección estea feita a propósito. "Desgraciadamente o público non paga polo que non coñece ou polo que considera que non ten que pagar. É un erro pero é un problema xeral", indica Gómez. Ante as posíbeis dúbidas aclara: "As bandas locais teñen moitas dificultades porque os festivais non teñen capacidade de lanzalas porque o público busca propostas máis concretas". O Sinsal non peca diso pois, de feito, a oferta musical non se chega a coñecer até o momento de estar na Illa de San Simón. Quizais un cambio na cultura popular sería chave para que as novas e vellas músicas do país tivesen máis repercusión nestes certames. "Xa hai artistas galegos que están nos festivais e teñen os mellores horarios porque son recoñecidos; o que é coñecido ten espazo con independencia de que sexa galego ou non", comenta Gómez, quen pensa que é simplemente unha relación lóxica entre "oferta e demanda". Neste contexto, que xa sempre foi igual, Sinsal apostou "pola experiencia, pola humanidade e pola música: polo conxunto do festival" o que fai que o público se mobilice aínda sen saber o que poderá escoitar. O mesmo sucede, pensa, con algunhas outras propostas que conseguiron "fidelizar" a súa xente e poden levar grupos galegos ou de fóra, pero xa é unha cuestión máis de "valores", de asentamento na axenda e de confianza das e dos asistentes no bo facer das e dos programadores. Gómez tamén rexeita que estes formatos veñan facer ás veces das verbenas. "As festas patronais son insubstituíbeis e están moi vinculadas aos veciños, a un acto social que non pode desaparecer porque forma parte da nosa identidade", argumenta Gómez, que (iso si) pensa que a organización destas citas podería mellorarse. O que acontece é que os festivais "son un estímulo para a xente moza, que está máis conectada con este tipo de eventos". "O ideal sería compartir o camiño e integrar os festivais nas festas, pois xa hai moitas parroquias que ofertan un escenario alternativo buscando aglutinar dúas mentalidades", conclúe. "O folk, por exemplo, é riquísimo e non se está a dar apoio público. Paréceme un fracaso cultural non saber crear unha industria" propia, opina Antía Ameixeiras Un baleiro no impulso inicial dos medios públicos Antía Ameixeiras, do coñecido dúo Ameixeras&Caamaño, ten outra visión da carencia dun impulso decidido ao tecido musical galego. Malia recoñecer que elas non se poden queixar porque son unha referencia cada verán e están presentes en moitas vilas, lamenta: "A verdade é que nos carteis dos festivais faltan nomes de grupos galegos". "É unha mágoa non ser quen de construír unha industria musical: hai moitos grupos que teñen difícil sobrevivir porque os festivais e a televisión pública serían un piar fundamental pero falta moito apoio", reflexiona a artista. De feito, ten coñecemento próximo do circuíto catalán e comenta que alí a prioridade son as bandas locais. "Coidan moitísimo máis a súa industria", indica, e se ben entende a opinión de Gómez sobre unha base do problema de tipo social, pensa que son os medios públicos, por exemplo, os que teñen que "educar" e funcionar de "escaparate" para que as formacións emerxentes teñan capacidade de chegar ao gran público nun primeiro momento. Non liga a eclosión de festivais a un adeus ás orquestras, pero si defende iniciativas como a de Rois, onde as aglomeracións se evitarán levando "microconcertos ás distintas aldeas". Elas serán unha das propostas dos impulsores das festas. A pequena ou nula aposta dos festivais pola música feita na Galiza e por galegas e galegos ten algo que ver co grao de talento? Ameixeiras rexeita tal posibilidade, polo menos no ámbito do folk, que é o que mellor coñece. "O folk, por exemplo, é riquísimo e non se está a dar apoio público. Paréceme un fracaso cultural non saber crear unha industria" propia, opina. No entanto, tamén ten marxe para a autocrítica e, preguntada ao respecto, a artista di que é certo que falta organización de toda a rede para unirse e demandar espazos de promoción en lugares como a televisión pública. Os Concellos "optaron por outro tipo de actividades" Ao respecto desa posíbel aposta municipal polos festivais por enriba das verbenas, non opina igual o propio sector afectado. O presidente da Asociación de Empresarios da Verbena da Galiza (Asevega), Alberto Dopico, pensa que as comisións "están en mans dos seus concellos". "Hai grupos que si estaban intentando facer unhas festas patronais pero mentres os seus concellos non dean un paso adiante e inclúan as orquestras nas súas programacións culturais ninguén se vai atrever", destaca. Vai máis aló ao asegurar que hai promotoras e promotores veciñais que foron falar con executivos municipais e recibiron por resposta ao proxecto da programación un "ti saberás". Neste contexto, preguntado ao respecto de se detecta diferenciación entre festivais e verbenas, Dopico non ten dúbidas. "Se non se estivesen facendo ou organizando ningún tipo de espectáculos musicais ou artísticos sería entendíbel, como o ano pasado, pero é que se están a facer cousas e non contan con nós", lamenta. A este respecto, intenta buscar explicacións para que, como di, os municipios estean de costas ao sector neste 2021 e atrévese a aludir a unha posíbel preocupación das formacións políticas "por aferrarse a unha fama que non ten razón de ser". "A xente pensa que nunha verbena hai que bailar, estar xuntos... e iso parece incompatíbel coa realidade que temos hoxe en día, pero non é así", afirma o representante, que incide: "Adaptámonos ás circunstancias como fixemos toda a vida". De feito, tira de hemeroteca para asegurar que as romarías galegas mesmo se seguiron realizando, cos seus impedimentos e a nivel moito máis sobrio, "durante a Guerra Civil". "As comisións de festas teñen moi complicado cumprir os protocolos para as verbenas e os concellos, en vez de axudar, optaron por outro tipo de carteis ou de actividades", lamenta o director musical do Combo Dominicano, Cirano Núñez. Entre "1 e 2% do que era o mercado habitual" Pola súa banda, o director musical do Combo Dominicano, Cirano Núñez, fala desde un punto de vista máis directo do que acontece a unha das orquestras máis grandes e atractivas na Galiza, deixando ver ao tempo como pode ser a realidade de formacións máis humildes. "As comisións de festas teñen moi complicado cumprir os protocolos para as verbenas e os concellos, en vez de axudar, optaron por outro tipo de carteis ou de actividades", lamenta. Malia que se programaron verbenas piloto e había e hai comisións que si queren sacar adiante as festas (ou iso pensa Núñez, pois a agrupación da que forma parte chegou a ter apalabradas algunhas actuacións que non chegaron a bo fin) a gran maioría dos gobernos municipais está elixindo "programacións alternativas" para o verán. Así, estima que haberá entre "1 e 2% do que era o mercado habitual" para estas datas. O que non acaba de entender o sector é por que todas as restricións van bater na "cultura, que é segura e máis ao aire libre", e logo danse "aglomeracións" mesmo nos "supermercados" e permítense os festivais ou as xuntanzas na rúa. "As orquestras deberían estar traballando e para o sector foi unha sorpresa o que sucede, pois pensaba que ía traballar", conta Núñez, que volve incidir en que "se optou por non apoiar o sector da verbena na Galiza", se ben "afortunadamente non foi en todos os lugares". Ademais expón unha situación na que é lóxico que gañen terreo os festivais, malia que sexan de nova creación. Mentres as festas dependen do que recade a veciñanza ou, en todo caso, de orzamentos municipais, nos festivais o que se pon en risco é un patrimonio persoal e, ademais, "cóbrase entrada". De feito, ao final teñen máis bolos "fóra da Galiza" que antes e, como El Combo Dominicano, moitas orquestras reduciron formatos no país para baixar honorarios e están a traballar en terrazas ou en discotecas -neste caso, aínda sen moita claridade polas dúbidas sobre a reapertura do lecer nocturno- para un público reducido en comparación coa cidadanía que arrastraban antes. No entanto, Núñez recoñece que non renuncian a que o verán mellore á par que a desescalada e gústalles pensar que en setembro poderían achegarse un pouco máis ao que sería a normalidade, cos 30 traballadores de sempre en vez dos 10 actuais e movendo toda a infraestrutura que agora, destaca, non compensa. Actuar no caso de incumprimentos da norma O Clúster de Turismo prefire non entrar neste debate entre os festivais e as verbenas. O seu presidente, Cesáreo Pardal, lembra que "os festivais son privados" e saen adiante "porque hai empresarios que arriscan os seus cartos pero sen intención de suplantar ninguén". Neste sentido, confésanse favorábeis a todo evento que atenda a todos os parámetros de seguridade estabelecidos por mor da Covid-19. Así, Pardal entende que se unha organización ou promotora incumpre debe ser sancionada e "multada" pero tamén amplía esa resolución á cidadanía en xeral, pois avisa de que o ocio nocturno paga moitas veces por acontecementos que suceden fóra do seu horario. "Apelamos á responsabilidade individual, ao civismo e a que as administracións sancionen e cobren esas multas" se, por exemplo, atopan xente na rúa bebendo ou formando escándalos.
NOS_38875
Con 68 residentes positivos e 15 profesionais, a residencia Quercus de Leiro é intervida pola Xunta da Galiza.
A Xunta interveu a residencia Quercus do municipio de Leiro, que acumula 68 usuarias e usuarios contaxiados de Covid-19 e outros 15 profesionais con enfermidade activa. A decisión da Administración galega adoptouse após o incremento de casos rexistrado nas últimas horas, que pasaron de 27 a 68 residentes con coronavirus en só 24 horas. Deste modo, as Consellarías de Sanidade e Política Social asumen a xestión do centro para "garantir a calidade asistencial" e "a correcta protección" de persoas usuarias e traballadoras. Un equipo de Política Social atópase desde a mañá desta sexta feira, 22 de xaneiro, na residencia para realizar un seguimento permanente das e dos usuarios e velar pola correcta aplicación das medidas preventivas. Pola súa banda, as os profesionais do Sergas vixiarán a prestación da atención sanitaria precisa. Con estes datos e a falta de coñecer o balance diario de casos nas residencias de maiores, a residencia Quercus atópase entre os xeriátricos máis afectados pola pandemia e súmase a outros centros xa intervidos pola administración.
NOS_11354
As 32 páxinas do semanario traen este sábado ás lectoras e lectores de Nós Diario unha conversa a fondo con Raúl Dans, actor de dobraxe, guionista e dramaturgo; un percorrido pola ,loita político-militar do M-19 en Colombia da man dos seus protagonistas; ou unha debruzada sobre a madeira na arquitectura.
Volve Sermos Galiza este sábado á súa cita cos lectores e lectoras de Nós Diario. O semanario de 32 páxinas volve convidar á lectura pausada e a adentrármonos en temas que non se atopan na prensa convencional. O acordo entre o Goberno e a guerrilla do M19 na primavera de 1990 supuxo o primeiro proceso de paz na historia de Colombia e América Latina. Un feito sen precedentes que traería un proceso constituínte ademais de intentar abrir a porta á resolución dun conflito político e armado aínda latente. 30 anos despois. Nós Diario recolle a historia daquela loita político-militar a prol da democracia de man de quen a viviu en primeira persoa na reportaxe de apertura deste número, 'M19: Historia dunha loita político-militar en Colombia'. "O M19 tiña un alto nivel de arraigo urbano en comparación con outras insurxencias e iso deulle unha capacidade extraordinaria para entender a política colombiana", valora o sociólogo e profesor colombiano Franco Muñoz. 'Raúl Dans, o lado escuro do teatro' é o título para a longa conversa que manteñen Manuel Xestoso e Raúl Dans. Dans (A Coruña, 1964) vén de gañar a segunda edición do Premio Laudamuco para textos teatrais, convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. É un premio máis nun longo ronsel que inclúe o Rafael Dieste, o Alvaro Cunqueiro e o Premi Born –ambos gañados en dúas ocasións–, o Premio de Teatro da AELG, o da SGAE… Falamos con el por teléfono sobre unha xa moi sólida obra que indaga nos aspectos máis escuros da natureza humana, e das dificultades que atopa un dramaturgo galego para que a súa obra chegue aos escenarios. "Como convences a alguén de que constrúa unha obra se nin se publica nin se representa? Eu mesmo, creo que se non gañase os premios que gañei, tería desistido hai tempo", confesa nesta entrevista. Tocar madeira Resulta paradoxal que moitas arquitectas vexan a madeira como un dos materiais do futuro, cando se leva usando desde sempre. Na construción tradicional era moi empregada, presente en tellados, vigas, portas, fiestras ou pisos. A industrialización fixo que se fose substituíndo por aluminio, aceiro, formigón ou plástico. Na actualidade, coas novas tecnoloxías aplicadas ao material e aos derivados, está a recuperar o protagonismo perdido. En 'Arrokabe, tocar madeira', Iago Valverde achéganos a este estudio que ten a madeira como material fetiche. Formado por dous irmáns retornados de Euskadi, está apostando moi forte polos seus múltiples usos, que xa se poden ver en proxectos realizados ao longo e ancho da xeografía galega. Mirar desde Penide O desconfinamento achéganos cada vez máis á oportunidade de poder retomar sobre a terra os pasos e camiños que o Colectivo Xea nos amosa sobre o papel. Desta volta, convídanos a achegarnos ao monte Penide unha penechaira de certa extensión, situada no alto das parroquias de Candeán, Chapela, Trasmañó, Cedeira, Negros, Cabeiro e Vila. Entre Vigo e Redondela, unha paraxe de arqueoloxía e miradoiros para gozar con tranquilidade. Non remata aquí este número do semanario. Oito páxinas centradas na literatura, música, cinema e arte achégannos novidades, debullan propostas, informan, propoñen e convidan da man de Mario Regueira, López Foxo, Ugia Pedreira, Irene Pin, Andrés Castro, Carlos L, Bermúdez e Cilia Torna
NOS_4872
O reparto desta subvención faise en cumprimento coa Lei de financiamento das formacións políticas, que estabelece o marco de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das organizacións con representación no Parlamento galego.
O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolle esta segunda feira o reparto de subvencións das distintas formacións que compoñen actualmente o Parlamento galego, atendendo ao criterio de número de escanos e votos que obtivo cada partido político nas últimas eleccións galegas de 2020. O montante total desta subvención ascende até os 2 millóns de euros, a repartir entre o Partido Popular (PP), que obtivo 42 escanos; o Bloque Nacionalista Galego (BNG), con 19 deputados; e o Partido Socialista (PSdeG), coa menor representación, 14 asentos na Cámara galega. Neste sentido,os populares, como grupo maioritario no Parlamento galego durante esta lexislatura, obtén unha cantidade de 1.079.523,74 euros, lixeiramente superior a 50% do total da subvención. Pola súa parte, o Bloque recibe 515.872,32 euros en virtude dos seus 19 deputados, mentres que os socialistas, perciben 404.603,89 euros. O reparto desta subvención faise en cumprimento coa Lei de financiamento das formacións políticas, que estabelece o marco de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das organizacións con representación no Parlamento galego. Reparto de subvencións O reparto de subvencións entre os grupos parlamentarios galegos está fixado desde 2012 da seguinte maneira: cada formación recibe anualmente unha contía fixa de 119.661,48 euros. A maiores, cada grupo recibe unha contía variábel segundo o número de deputados que obtivesen nas anteriores eleccións galegas. Por cada deputado ou deputada, os partidos reciben 22.044,12 euros anuais. Por último, cada formación política recibe unha subvención anual de 70.782,72 euros, destinada a pagar os salarios do persoal que contrate cada grupo parlamentario.
NOS_42715
A editorial de Allariz achega as novidades que pon á venda este verán e no comezo do outono mais entre elas tamén hai unha reedición, a de O paso do Noroeste, de Xavier Queipo, nos 25 anos da súa primeira edición.
A editorial Aira vén de presentar as súas novidades de verán e outono, que abranguen xéneros como a banda deseñada, a novela de misterio, a poesía ou a literatura infantil. A colección de cómic infantil "Carriandola" suma dous novos títulos, Gazafellos, de Fon, e O destino de Kameko, de Abel Alves e Jorge Campos. O primeiro é unha banda deseñada para lectorado de máis de oito anos protagonizada por Mauro e Tiago, que atopan "o gazafello máis fedello do mundo, Fede". E en O destino de Kameko, Abel Alves e Jorge Campos crean unha novela gráfica para persoas de máis de 10 anos, onde a través de dúas protagonistas, recrean o Xapón de ninjas e samurais. O destino de Kameko non é a única novidade ilustrada por Jorge Campos, que xunto a César Cequeliños asina o primeiro título da colección "Un día de festa en..." co libro ilustrado Un día de festa en... Allariz. En feminino chegan a novela de María Oruña traducida ao galego, O que a marea esconde, e o Premio de Poesía Cidade de Ourense de 2020, As puntas da louza, de Lorena Conde, na colección "Fina Rei" de poesía de mulleres. Reboiras, o camiño da rebeldía é o título do libro que Aira presentará o 25 de xullo. Escrito por Xosé Manuel Pereiro e Xurxo Martínez, o texto percorre a vida do dirixente nacionalista asasinado pola policía franquista en agosto de1975. Aira continúa o camiño iniciado en 2020 coa meta de rescatar "obras mestras da literatura galega que ficaron esquecidas ou descatalogadas" e chégalle a quenda a O paso do Noroeste de Xavier Queipo, no seu 25 aniversario. E de cara ao outono chegan O xardín secreto, de Frances Hodgson, traducido por Carlos Freire; e en "Clásicos ilustrados", Miguel Robledo pon os seus pinceis ao servizo de Heidi, de Johanna Spyri.
NOS_22956
O principal partido da direita portuguesa foi varrido nas eleições locais deste 1-O. A derrota já teve consequências: o seu líder e antigo primeiro ministro, Pedro Passos Coelho, não se vai re-candidatar à liderança, segundo o diário Público.
Já na noite do domingo Passos Coelho anunciou uma reflexão perante o que julgou como "um dos piores resultados de sempre" do seu partido nas autárquicas [eleições municipais]. O seu actual mandato ao fronte do PDS conclui no primeiro trimestre de 2018. As autárquicas foram um grande triunfo para o PS de António Costa -que aumentou seus apoios em detrimento dos seus sócios da esquerda, nomeadamente o PCP- e representaram uma dura derrocada para a direita do PDS, que cedeu um total de 38 câmaras municipais.
NOS_58588
A deputada do PSOE deixa o escano após anunciar que volverá para "renovar" o seu partido pero antes estará ocupada en Estados Unidos nunha institución intimamente relacionada coa dereita cubana.
Carme Chacón -deputada do PSOE, ex-ministra con Zapatero e rival de Rubalcaba no último Congreso, que perdeu- anunciou que deixa o seu escano no Congreso para desprazarse a Miami, onde durante aproximadamente un ano traballará -en funcións aínda indeterminadas- na Miami Dade College. Malia presentarse como "renovadora" do PSOE e amosar de forma pública un perfil "máis á esquerda", Chacón (que como ministra de vivenda sacou unha lei para acelerar os desafiuzamentos) relaciónase agora directamente coa segunda maior universidade en número de alumnos de Estados Unidos. Ademias, a Miami Dade College (MDC) mantén claras relacións co exilio da dereita cubana que nesa cidade reside. A MDC para a que traballará a "renovadora" do PSOE organiza recollidas de fondos para organizacións "anticastristas" contrarias á revolución cubana (o Instituto de Estudios Cubanos y Cubanoamericanos/Casa Bacardí, por exemplo) e homenaxes a líderes da oposición de dereitas en Cuba, como Berta Soler -á que lle impuxeron unha medalla coa frase "garda da liberdade"- ou a blogueira Yoani Sánchez, que moitas informacións relacionan directamente -e con soldo- co goberno de Estados Unidos e que foi premiada por esta universidade após ser cualificada como "loitadora da liberdade" segundo palabras do reitor, Eduardo Padrón.
NOS_33704
Están de acordo nunha candidatura unitaria integrada por Artur Mas e Oriol Junqueras e membros da sociedade civil. A iniciativa quérena estender a CUP e outros partidos, como MÉS e os escindidios de Unió. "O obxectivo é lograr un estado independente".
Máis de dez horas de reunión entre partidos independentistas e entidades e colectivos da sociedade civil catalá fraguaron nun principio de acordo entre Convergència e Esquerra para as eleccións do vindeiro 27 de setembro. CDC e ERC coinciden a favor dunha candidatura unitaria integrada por membros e representantes da sociedade civil catalá, lista na que tamén estarían o presidente catalá Artur Mas e o líder de Esquerra, Oriol Junqueras. Esta terza feira pola tarde terá lugar unha nova xuntanza na que CDC e ERC explicarán a proposta a outros partidos independentistas (CUP, MES...) e a colectivos e entidades. "A nosa vontade é estender o pacto a todos, á CUP e outros partidos", manifestou Oriol Junqueras. De feito, a CUP, que se amosara nun principio disposta a esa candidatura unitaria, foise afastando da iniciativa e apostando nunha candidatura propia para as eleccións. Os motivos son que aa CUP pedía que a lista fose "sen políticos", configurada por representantes da sociedade civil; e que xusto após as eleccións do 27S se procedese a convocar eleccións constituíntes. Nas últimas horas esta formación afirmou que só entraría a valorar a proposta de candidatura unitaria se esta incluíse propostas concretas. A CUP celebrou a súa II Asemblea Nacional esta pasada fin de semana, elixindo un novo secretariado nacional, con 11 caras novas entre os seus 15 integrantes. "É un principio de acordo para gañar as eleccións do 27S co obxectivo de ser un estado independente", manifestou Josep Rull (CDC), sobre o principio de pacto atinxido con ERC. O contido pormenorizado do mesmo exporase esta terza feira ao resto de partidos soberanistas e colectivos civís. Junqueras dixo que quería que ese acordo se "translada a todos" para que "o validen e melloren". Quen asinaría? Segundo Vilaweb, hai catro partidos que sinarán integramente o acordo e un que non. Os que subscribirán serán, alén de CDC e ERC, o Moviment d'Esquerres e Demòcrates (independentistas escindidos de Unió). A CUP non asinará, mais estúdase unha maneira para que, mesmo presentando candidatura propia, esté na "folla de rota" independentistas e nas accións a desenvolver após as eleccións do 27S. Mesmo se baralla que as 2 listas partillen algún tipo de denominador ou lema común.
NOS_19573
O Ministerio de Facenda comunicou esta sexta feira a repartición entre as comunidades autónomas dos 7.000 millóns de euros en axudas directas a pemes e autónomos. Galiza leva un total de 234,47 millóns.
A distribución dos 7.000 millóns de euros con que está dotada a liña Covid de axudas directas a autónomos e empresas deixa a Canarias como a principal receptora destas axudas, con 1.144,3 millóns de euros, seguida de preto por Andalucía, con 1.109,2 millóns, e Catalunya, con 993,2 millóns, o que supón que estes tres territorios recibirán o 46,38%. Madrid sitúase no quinto lugar desta repartición e recibirá 679,29 millóns, un 9,7% do total. Así o publica esta sexta feira o Boletín Oficial do Estado (BOE) a través dunha orde ministerial que explica os criterios desta repartición e detalla que se fixo a través dun primeiro paquete, dotado de 5.000 millóns de euros, no que se atopan todas as autonomías salvo Canarias e Baleares, e un segundo paquete, con 2.000 millóns, no que están os arquipélagos. Canarias, Andalucía e Catalunya son as principais receptoras, seguidas por Baleares (uns 855,74 millóns); Comunidade de Madrid (679,29); Comunidade Valenciana (647,08); Galiza (234,47); Castela e León (233,56); Euskadi (case 218); Castela-A Mancha (206,34); Murcia (142,52) Aragón (141,35); Asturias (107,77); Estremadura (106,47); Nafarroa (67,62); Cantabria (55,36); A Rioxa (32,51); Ceuta (13,85) e Melilla (12,27). As axudas destinadas á Comunidade de Madrid suscitaron varias polémicas nestes días despois de que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurase na presentación da campaña do candidato socialista, Ángel Gabilondo, para as eleccións do 4 de maio que co adianto electoral a rexión madrileña deixaría de recibir estes 600 millóns de euros, algo que a presidenta da Comunidade, Isabel Díaz Ayuso, desmentiu. Criterios de repartición Con todo, o Ministerio de Facenda explicou os criterios de repartición que se deron para ambos os paquetes e defende que son os mesmos indicadores e coa mesma ponderación que teñen na asignación do fondo React EU da Unión Europea. Así, para o primeiro paquete especifícase que dúas terceiras partes do seu importe distribúense segundo o peso relativo do indicador de renda de cada comunidade autónoma e cidade, que mide a caída do PIB en 2020 moderado en función da prosperidade relativa de cada unha delas. O indicador de renda de cada autonomía é a cifra resultante de dividir o peso relativo de cada entidade territorial na caída do PIB de 2020 en relación con 2019 entre a súa respectiva prosperidade relativa, medida a través da súa renda per cápita respecto da renda per cápita estatal. Dúas novenas partes do importe distribúense segundo o indicador de emprego, que considera a media ponderado entre o peso da autonomía no total de parados rexistrados en xaneiro de 2020 e a súa contribución ao incremento do paro rexistrado estatal desde o 31 de xaneiro e até final dese exercicio. Unha novena parte do seu importe distribúese conforme ao indicador de desemprego xuvenil (16-25 anos) que, analogamente ao criterio anterior, considera a media ponderado entre o peso da autonomía no total de mozos desempregado rexistrados en xaneiro de 2020 e a súa achega ao incremento do paro xuvenil rexistrado ao longo do ano pasado en todo o país. En canto ao segundo paquete de 2.000 millóns de euros, a súa repartición realizarase de forma proporcional ao seu peso relativo na caída en 2020 dos afiliados á Seguridade Social en termos netos. Este indicador medirase coa redución do número medio anual de afiliados en alta entre 2019 e 2020, descontando o efecto do número de traballadores en ERTE medios en 2020. O Ministerio de Facenda efectuará a transferencia destes recursos ás autonomías nos dez días seguintes en que adquira eficacia o convenio que se acorde con cada un destes territorios. Aínda que os entes territoriais tamén poderán solicitar que a liberación destes fondos poida realizarse con posterioridade.
NOS_12753
A área de Cultura de Deputación da Coruña convoca este ano seis premios co obxectivo de animar a creación literaria.
A área de Cultura de Deputación da Coruña convoca este ano seis premios co obxectivo de animar a creación literaria. Literatura infantil e xuvenil, textos teatrais, ensaio e narrativas son as categorías que premiará a institución, que convoca tamén a quinta edición dos Premios Begoña Caamaño á acción cultural. O Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, o Rafael Dieste de textos teatrais e o Manuel Murguía de Ensaio iniciarán o prazo de presentación de orixinais nos próximos días e manterase aberto até o 15 de abril. As persoas que queiran presentarse ao Torrente Ballester de Narrativa poderán facelo até o 15 de xuño. Este último premio consolídase como o máis tradicional do conxunto de certames da Deputación, chegando á súa 33ª edición cun galardón de 12.000 euros. O Rafael Dieste de Textos Teatrais suma vinte edicións e quince o Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, nos que as persoas gañadoras recibirán 6.500 euros, o mesmo que o premio Manuel Murguía de Ensaio, que convoca a súa edición número trece. Todos os certames inclúen a publicación da obra gañadora no premio. O deputado de Cultura, Xurxo Couto, informou onte de que a súa área "comeza a publicar as bases dos premios culturais referidos ao ámbito literario ás que se engadirán, nos próximos días, os artísticos e musicais". Con esta convocatoria "apostamos polo apoio á creación cultural nas súas distintas disciplinas, un ámbito que tamén precisa o compromiso das institucións en momentos coma este", apuntou o deputado. Nesta publicación do Boletín Oficial tamén saíron as bases da quinta edición do Premio Begoña Caamaño, que recoñece a traxectoria de persoas, colectivos ou entidades e propostas artísticas comprometidas coa promoción da igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura. As candidaturas pódense presentar até o 15 de abril e as persoas que formen parte do xurado poderán sumar candidaturas cando menos até 72 horas antes da reunión de deliberación. A Libraría de Mulleres Lila de Lilith, o Observatorio da Mariña pola Igualdade, a compañía teatral Elas Tamén Pintan ou Implicadas no Desenvolvemento gañaron o premio en edicións anteriores.
PRAZA_17360
ENTREVISTA Bakin Blues Band publican o seu terceiro disco, Ten long years, no que celebran os seus dez anos mentres impulsan unha nova edición do Fisterra Blues Experience, unha celebración da interculturalidade mar por medio co centro na vila da Costa da Morte
Xogar, sendo branquiños e galegos, a ser escravos negros na Costa da Morte sería unha impostura. Pero non o é procurar xeitos de crear comunidade a través da música. De compartir momentos de alegría e goce no medio do caos e, ás veces, de expresar a mala hostia ante a opresión imposta polos que queren desposuírnos dos nosos dereitos. Bakin Blues Band sábeno e, ao mesmo tempo que impulsaron o festival Fisterra Blues Experience -celebración da interculturalidade mar por medio co centro en Fisterra, o punto xeográfico de Galicia máis próximo ao berce do blues- celebran os seus dez anos de traxectoria co disco Ten long years. Falamos con Javier Turnes. Tedes moito que ver co nacemento do Fisterra Blues Experience… Si. Nós tocamos moito por aquí. O goberno local de Fisterra propúxonos facer algo pero, e realidade, tamén era un vello soño meu. Tamén quixemos saír un pouco do habitual e dotar o festival dunha narrativa. Por iso pensamos na idea da posición de Fisterra no Atlántico, no punto máis cercano á terra na que naceu o blues do outro lado do oceáno. O blues xorde da música negra, dos cantos dos escravos, que tamén tiveron que saír de África atravesando o Atlántico. O blues é, así, unha música multicultural, ou intercultural, que se vai espallando por todo o mundo e que está moi ligada ao Atlántico. "O blues é, así, unha música multicultural, ou intercultural, que se vai espallando por todo o mundo e que está moi ligada ao Atlántico" Este ano tedes máis apoios, en canto a orzamento, non si? Si, nós a primeira vez presentamos un proxecto sinxelo, pero como eles querían algo máis grande, pedímoslle xa axuda a Nordesía. E si, ademais do Concello, colabora a Deputación da Coruña e patrocina Mahou. Por que hai que ir ao Fisterra Blues Experience? Porque é para toda a familia, porque é unha celebración adaptada a tódolos públicos. Porque non é só un estilo de blues: é tamén soul, ou rhythm and blues, ou boogie woogie… Porque somos o único festival que ten concertos nun barco. Porque hai unha ampla e variada programación, con obradoiros para nenos, de baile, cunha mesa redonda sobre a recepción do blues a este lado do Atlántico e porque Fisterra é un lugar singular, cunha paisaxe única e cunha carga simbólica moi importante. Chamámoslle Experience porque o que se propón é unha experiencia que só se pode construir a través dos sentidos: a vista -pola paisaxe, o territorio-, o ouvido -pola música- e o gusto -pola gastronomía-... Comezastes en Cee e Curcubión, facendo jams. Non digo que teña que ser unha música urbana que se "desprazou" ao rural pero, hai algunha razón especial pola que o inicio fose alí? Pois simplemente que eu son profesor e déronme destino aquí. Despois había outra xente que estaba facendo cousas, que estaba ensaiando… e fómonos xuntando. Agora xa son medio de aquí tamén… Hai dez anos tampouco había nesta zona moitos concertos e as jam funcionaban ben. Viña xente que colaboraba… Foi nun pouco a novidade e tamén a oportunidade para o encontro, supoño. Tocabamos en Cee, Corcubión, Fisterra… "Hai dez anos tampouco había nesta zona moitos concertos e as jam funcionaban ben" E nalgún momento decidides montar unha banda. Si, eramos xente que tocabamos estilos cercanos ao blues, que compartiamos cousas, que estiveramos noutras bandas, pero nunca nos dera de montar unha banda de blues. Foi un pouco no proceso de tocar, de aprender a tradición do blues… E ademais cadrou que nese momento, o 2008, non había moito blues en Compostela. A xente que facia blues nos 90 fora marchando… Tiña todo o sentido facer unha banda. A primeira residencia é no Vagamundos, os domingos pola tarde. Como era? En realidade comezamos no Apolo -o das galerías Viacambre-, logo foi no Vagamundos e logo xa no Dado Dadá, que foi cando empezamos a ser máis coñecidos. Foron tres anos moi bos: xuntábase moita xente no Dado, faciamos concerto e jam, colaboraba outra xente… Fomos así meténdonos máis na tradición do blues e, claro, non somos negros nin pretendemos parecelo, pero o importante é que o pasabamos moi ben, que estabamos creando comunidade… E como se inscribe o que fai a Bakin na tradición musical da que falas? Todos eramos xa músicos. Estiveramos noutras bandas, sobre todo de rock, que non deixa de ser fillo do blues. Comezamos polo blues de Chicago, o blues eléctrico dos anos 50-60, que xorde cando os negros do sur de Estados Unidos marchan traballar ao norte e engádense instrumentos eléctricos ao blues. Despois fomos máis para atrás na historia do blues: os sons máis acústicos do Delta do Mississippi, o blues de preguerra, que era máis máis rural. E logo fomos máis adiante: o blues máis achegado ao funk. Mais alá dos 70 xa non fomos. Penso que no noso segundo disco -o primeiro era de versións- pode apreciarse ben isto: hai algo de blues acústico, swing, shuffle, rumba, funk… "Todos eramos xa músicos. Estiveramos noutras bandas, sobre todo de rock, que non deixa de ser fillo do blues" Di a vosa bio que queriades, desde o principio, abranguer desde o country ao rhythm and blues. Desde unha visión ampla… Si, non somos nada puristas. Para nós foi un proceso natural, de ir aprendendo. Temos un estilo que abrangue, si, todos os paus do blues, con moitas influencias. Tamén é porque facemos moito directo, no que funciona ben o swing, o funk… Gústanos o que facía Freddie King, que era así máis cañeiro. "Temos un estilo que abrangue, si, todos os paus do blues, con moitas influencias" Que pasara co blues en Santiago? No artigo que escribiu sobre vós Alfonso Espiño, contaba que xa se fixeran cousas desde os 60, e que nos 90 estaban Marcos Coll, Adrián Costa… Xente que foi marchando a Estados Unidos, por exemplo. Primeiro marcharon a Madrid, que alí hai un circuíto potente. Despois moitos foron para Berlín. Houbo unha explosión, si, nos 90, que comezaron eles. Pero despois eles foron marchando e en Santiago comezou a estar máis presente o jazz -tamén pola creación da escola de jazz- ou o folk. Cando nós comezamos, no 2008, a situación era esa. E queremos pensar -aínda que llo terías que preguntar a elas, claro- que a Bakin tamén animou a outras bandas a empezar. "Queremos pensar -aínda que llo terías que preguntar a elas, claro- que a Bakin tamén animou a outras bandas a empezar" Falabamos antes do Dado e non chegamos ao Fraggle Rock, onde tivestes residencia durante 7 anos. O Dado enchíase, había moito público e moito músico que viña tocar con nós. Saiamos de alí ás catro ou cinco da mañá. Eramos cuarteto e apareceu Ale, o pianista, ademais. Foi unha época moi bonita, de recuperación da tradición da jam, con todas as posibilidades que permite... Despois comezamos, si, no Fraggle, cun formato máis de concerto e colaboracións máis puntuais de xente que estaba por aquí… "O Dado enchíase, había moito público e moito músico que viña tocar con nós. Saiamos de alí ás catro ou cinco da mañá" Algo tedes que ver tamén coa fundación da Sociedade de Blues de Santiago… Si, ante a proliferación e a complicidade da escena do blues, que ían medrando, pensamos en facer a Sociedade para darlle visibilidade e presenza. Tiñamos relación coa Sociedade de Blues de Madrid e pensamos distintos proxectos, como un circuíto itinerante en Galicia. Pero despois moitas veces non dás feito o que che gustaría… Podemos dicir con orgullo que fomos atravesados por un puñado de momentos convincentes no medio desta desorde. Experiencias que poden parecer ínfimas, insignificantes…, baseadas nunha linguaxe de afectos, de amizade. É algo que escribiches ti. Por que? É algo moi importante na nosa banda, si, e ademais o propio nome que lle puxemos ten que ver con iso. Queremos facer cousas e estar satisfeitos co que facemos, xuntarnos para tocar e pasalo ben, para vivir bos momentos. A banda non busca unha significación extraestética, de espectacularización. Só queremos estar xuntos e pasalo ben, crear comunidade, baseada na proximidade, nos vínculos afectivos, na amizade. Pola Bakin pasou moita xente, e hoxe significa xuntarse cos amigos, coas familias, cos fillos e poñerse a tocar, viaxar… A banda ten unha dimensión familiar, afectiva, que é a base de todo. "A banda non busca unha significación extraestética, de espectacularización. Só queremos estar xuntos e pasalo ben" Así que non tedes pensado ir triunfar a Berlín. Non o creo (Ri). Realmente tampouco é que tiveramos nunca unha especie de carreira planificada. Non nos preocupamos polo marqueting, non pensamos desde unha perspectiva estratéxica, cunha mentalidade empresarial. Di Vituco Neira que se cadra aquí non temos o recoñecemento que poderiamos ter, e é verdade que no circuíto de Madrid a xente coñece e valora a Bakin… Mais a estas alturas nós non estamos tampouco preocupados por iso. A celebración dos 10 anos foi un capricho e si que tivo repercusión, a nivel de medios de comunicación por exemplo. Si notamos que nos coñecían e que había un cariño pola banda. No concerto no Principal notábase ben. Tamén funcionou o traballo de promo que fixo Rocío Castro, que é moi boa… O primeiro disco é Jumpin'in a Deep Blue Sea. O segundo é It's always party time at home. O título debe ter relación co que explicabas antes. Como ides cambiando dun ao outro? O primeiro disco é unha autoedición de clásicos do xénero, feita cunha tirada pequena. O segundo xa é algo máis pensado, con cancións nosas, editado por unha discográfica de blues potente, gravada en analóxico e cun bo deseño.. O último disco, co que celebramos os dez anos, recolle material de directo que tiñamos gravado. Como non foi gravado con intención de editalo ten algunhas carencias de son, claro. Inclúe unha incorporación tardía, que foi a sección de ventos. Di Espiño que a Bakin pretende transmitir valores de fraternidade e humildade fronte a un mundo cada vez máis deshumanizado. Non sei se hai unha pretensión consciente de transmitir valores, pero algo hai de presenza diso. Eu, como filósofo, podo dicirche que si, que defendo iso. Por iso as letras do segundo disco teñen unha certa carga política. Somos conscientes, como che dicía antes, de que non somos coma os escravos negros. Temos unhas condicións materiais de existencia que eles non tiñan, pero o blues si é para nós unha maneira de darlle expresión á mala hostia, xunto á comuñón e a alegría. O máis importante é iso, sentirnos cómodos cando estamos xuntos. Ademais, en realidade iso é o que é o blues: xente que se xuntaba para tocar, para bailar… como en calquera tipo de música popular. "O blues si é para nós unha maneira de darlle expresión á mala hostia, xunto á comuñón e a alegría" As letras do terceiro disco non son, na súa maioría, vosas, pero a min paréceme que a escolla si ten que ver co que acabas de comentar. As letras teñen como dúas vertentes: os afectos e os momentos de encontro. Aquilo que falabamos: o pequeno, o insignificante… É bonito que digas iso pero en realidade a escolla fíxose cun criterio máis ben técnico. Os temas mellor tocados, mellor gravados, máis apreciados polo público… Hai xente que nos segue e que sabe os temas. E para chegar a iso tamén se precisa tempo… Houbo varios cambios no grupo. Comezastes ti, Prieto, Tato e Fran Facal. Hoxe sodes máis. Para que te fagas unha idea, baterías chegaron a pasar 16. Non é nada fácil atopar un batería de blues… Pero si, houbo moitos cambios. Os que nos mantemos máis nestes dez anos somos Tato e eu. A formación máis estable somos Tato, (Vázquez), Ale (Casquero), Luca (Ferrández) e eu. E Fran Sanz. Se cadra tivestes unha evolución desde o blues de Chicago ás músicas máis populares e bailables. Algo comentamos antes. É verdade. E iso tamén foi un proceso natural relacionado coa pola experiencia de tocar, dos concertos. Porque funcionan moi ben as músicas populares. Nos nosos concertos a xente baila e gústanos que o fagan. No Principal estaban contidos ata que eu dixen que se podía bailar… E o blues é iso: é festa, encontro, celebración. A tradición máis antiga é esa. O que pasa é que moitas veces o blues identifícase só coa guitarra e o punteo. Pero en realidade iso é algo que introducen algúns músicos brancos trala recepción en Europa, e que se converte en estereotipo. "O blues é iso: é festa, encontro, celebración. A tradición máis antiga é esa, pero despois os brancos meten as guitarras e iso convértese no estereotipo" En relación con iso. Unha pregunta suxerida -que non é miña-. Pensastes algunha vez en meter máis percusión e menos guitarra para parecervos máis aos africanos que inventaron isto? (Ri). Pois, como che dicía antes, sabemos que somos brancos e tentar tomar o lugar dos negros sería unha impostura. Pero teño que dicir que no espectáculo Ten long years a primeira canción é un canto de benvida da colleita, cun ritmo africano total… Tocades moito. O cal vos permitirá aprender moito tamén dos vosos erros… Si, claro, tocar tanto permíteche aprender moitas cousas. Hoxe temos un repertorio dunhas 250 cancións, polo que podemos tamén ir facendo escollas en función do estado de ánimo do público. "Hoxe temos un repertorio dunhas 250 cancións, polo que podemos tamén ir facendo escollas en función do estado de ánimo do público" Compartistes escenario con Greg Izor, Edu Bighands, Barbara Lynn, Xulián Freire, Bonney Fields… Falabas antes do circuíto de Madrid: a Coquette... Si, foi un impulso importante para a banda tamén. Alí coñecimos a moitos outros músicos e de aí saíron colaboracións… De feito, en xullo imos xirar con Trudy Lynn. "En xullo imos xirar con Trudy Lynn" A discusión sobre que blues pode ser "galego" se cadra está un pouco pasada e a min non me interesa, pero si pode haber unha conexión entre os cantos e bailes dos escravos negros e os cantos tradicionais de traballo galegos, por exemplo. Que tiñan que ver coa necesidade dunha vida lúdica en comunidade e cunha situación de opresión… Si, e xa Alan Lomax fai un traballo de recolla que ten moito que ver con iso que dis, cos ritos do traballo. De feito, os acentos e compases poden encaixar moi ben. Nós acabamos de coincidir na Radio Nordés de Cee coas Tanxugueiras e si, os ritmos e acentos coinciden, como na regueifa: os ritmos dun tipo de canto popular moi antigo, moi baseado na reiteración. É fácil que haxa un diálogo aí; os ritmos, as percusións... En canto ao do blues galego, é unha pregunta que respondín tantas veces... "Nós acabamos de coincidir na Radio Nordés de Cee coas Tanxugueiras e si, os ritmos e acentos coinciden" Eu non che preguntaba por iso… Xa. Para min é evidente que se nós, que somos galegos, facemos blues, o que facemos é blues de aquí. O cal non implica que non valoremos o que se fai en galego. No Experience do ano que vén haberá algunha novidade nese sentido. Encontros con músicos galegos doutros estilos, que funcionan de marabilla. En Estados Unidos algo tamén estivestes… Si. E alí chámalles a atención que uns tipos coma nós fagamos blues. Acolléronnos moi ben.
NOS_15777
"Acabo de ler un libro sensacional" escribiu o historiador hispanista Paul Preston en alusión á obra de Carlos Babío e Manuel Pérez Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, onde ambos os autores estudan o roubo ao pobo pola familia Franco. Preston, reputado investigador dos crimes cometidos polo franquismo na guerra civil e na ditadura, recomenda a lectura da obra editada pola Fundación Galiza Sempre en 2017. "Para alguén que dubide da corrupción de Franco, o seu réxime e a súa familia é de lectura obrigatoria".
O historiador hispanista Paul Preston recomendou nas súas redes sociais a obra Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, escrita polos tamén historiadores Carlos Babío e Manuel Pérez. "Acabo de ler un libro sensacional" escribiu Preston referíndose a esta obra en que se analiza o espolio da familia Franco e do réxime ao pobo galego representado no caso do pazo de Meirás. Preston, prestixioso investigador especializado no estudo dos crimes cometidos polo franquismo na guerra civil e na ditadura, recomenda nas súas redes a lectura desta obra editada pola Fundación Galiza Sempre en 2017. "Para alguén que dubide da corrupción de Franco, o seu réxime e a súa familia é de lectura obrigatoria", aseverou. "Para alguén que dubide da corrupción de Franco, o seu réxime e a súa familia é de lectura obrigatoria", aseverou Preston Paul Preston é unha das voces internacionais máis reputadas na denuncia do franquismo e da pervivencia do réxime na actualidade. Nado en 1946 en Liverpool, especializouse na universidade inglesa de Reading na historia da guerra civil e colabora en diversos medios de comunicación como a televisión británica BBC analizando a actualidade política do Estado español. Paul Preston é unha das voces internacionais máis reputadas na denuncia do franquismo e da pervivencia do réxime na actualidade A obra que Preston recomenda contén a máis minuciosa investigación sobre como o ditador Franco usurpou o pazo de Meirás para utilizalo como símbolo do seu poder e como residencia de verán durante case corenta anos. O edificio, construído pola escritora Emilia Pardo Bazán, chegou ás mans do ditador nun proceso marcado polas coaccións e abusos sobre a poboación sometida polo réxime. A obra de Babío e Pérez estuda e documenta eses procedementos e analiza as actuacións das administracións en Meirás, co investimento continuado de fondos públicos nunha propiedade herdada pola familia do ditador. Precisamente Babío afirmaba esta sexta feira 12 de xullo para Sermos Galiza que "desta volta vai en serio" en relación á demanda que a Avogacía Xeral do Estado presentou xulgado da Coruña Precisamente Babío afirmaba esta sexta feira 12 de xullo para Sermos Galiza que "desta volta vai en serio" en relación á demanda que a Avogacía Xeral do Estado presentou xulgado da Coruña sobre a posesión do pazo e contra os herdeiros do ditador (os netos de Franco, os Martínez-Bordiu: María Aránzazu, María del Mar, María de la O, Carmen, Cristóbal e Jaime, e a empresa da que é administrador Francis Franco, Señor de Meirás, e á que traspasou os seus dereitos como herdeiro). Así o Estado reclama a devolución dos bens que fan parte do Pazo de Meirás, en concreto "dos inmóbeis e terreos que compoñen o conxunto que a Xunta declarou BIC no 2008 por iniciativa do BNG", explicou Carlos Babío a Sermos Galiza. Carlos Babío foi obxecto de varias denuncias apresentadas pola familia Franco, todas elas replicando a primeira por denunciar nunha canle de televisión o espolio da familia Franco no caso do pazo de Meirás.
NOS_4026
"Non estamos nesta loita por 2 céntimos", apontan, se ben consideran positivo o xesto dalgunha industria e distribución de pagar máis. Fruga lembra que calquera acordo debe ser consultado e validado polos produtores.
Catro días de greve de entregas e bloqueo e paralización da industria láctea. A sumar ás xornadas de concentracións e tractoradas en Compostela e Lugo e ás mobilizacións de xullo e agosto. O sector gandeiro tomouse a serio esta loita por un prezo xusto e quer que a solución que se dea á crise que sofre non sexa un simple parche. Nas últimas horas distribuidoras como Vegalsa e Mercadona anunciaron subas de 2 céntimos no litro de leite, un incremento que industrias como Celega, Entrepinares, Central Lechera Asturiana ou Celta tamén din que van aplicar; ademais, estas dúas últimas empresas comprometéronse tamén a paralizar os contratos á baixa que estaban facendo. En paralelo estanse a intensificar os contactos entre Ministerio e algunhas organizacións sindicais de cara a atinxir un acordo. Román Santalla, de UPA, indicou que o departamento español ten sobre a mesa unha proposta que ten como chaves garantir prezos dignos para o leite e que se faga público o prezo ao que a industria vende o leite á distribución, para saber así con que porcentaxe do prezo do leite fica cada quen. Consultar o sector O sindicato Fruga (Federación Rural Galega) emitiu un comunicado no que pide que calquera acordo que se acade debe ser consultado cos gandeiros antes de se asinar. Son os produtores que están a protagonizar as mobilizacións e a sofrer directamente a crise os que teñen que validar ou non un acordo. A organización tamén pide que, de se aprobar, se constitúa unha Comisión de Seguimento en Galiza integrada por gandeiros, industria, distribución e goberno galego e que este, o executivo, debe garantir o cumprimento do acordo. Por último, esta organización agraria chama a se manter alerta e en caso de que o acordo fique en papel mollado ponse a disposición dos produtores para retomar as mobilizacións. Desde o Sindicato Labrego Galego (SLG) reiteraron o apoio aos gandeiros que manteñen o bloqueo de industrias e distribuidoras. O SLG considera que unha solución urxente para a crise debería pasar por 2 cuestións: "Que na cadea de valor se garanta con leis e normativas unha marxe suficiente para que as granxas cubran os custes de produción e uns salarios dignos para quen traballe nelas" e a "anulación dos contratos-lixo vixentes nos que se impuxesen prezos por baixo deses custes". Cualifica de "xesto positivo" os anuncios de industria e distribución de subir prezos mais lembra que as mobilizacións procuran prezos xustos. Gandeiros que están a tomar parte nas mobilizacións dese o seu inicio, como Ramón e José Antonio (Mesía), lembran que esta loita "non é por 2 céntimos máis senón por un prezo xusto". José Antonio di que a el (45 vacas en muxidura) páganlle o leite a 24 céntimos e os custos de produción son de 34 céntimos. "De que nos serve que nolo paguen a 26? seguimos a perder moito cada litro e así non se pode manter a granxa". Imaxe: Vía Revista Afriga. Bloqueo da pranta de Leite Río en Arteixo
NOS_4555
Grandes investidores árabes, madrileños, norteamericanos e cataláns compiten con dúas PEME galegas –Greenalia e Adelanta– por construír 34 novos parques eólicos no país. Recortando prazos á metade grazas a un novo polémico marco legal, 285 muíños e 855 megawatios eólicos poden entrar en funcionamento antes da fin de 2019, segundo dados oficiais da Xunta aos que tivo acceso en primicia o semanario Sermos Galiza. Eis un extracto do publicado no papel.
O nome que máis reloce entre os aspirantes a explotar o vento galego é o de Green Capital Power. Trátase dunha filial de Capital Energy, empresa madrileña que dirixe Jesús Martín Buezas a través da sociedade de investimento Sanjo Inversiones. Martín Buezas é coñecido por ser un dos empresarios máis importantes das renovábeis no Estado. Tamén por ser xenro de Florentino Pérez, presidente do Real Madrid e da construtora ACS. Curiosamente, Buezas quedou fóra do concurso do PP en 2010 e logo presentou o recurso que finalmente derrubou ese concurso eólico. Unha sentenza do TSXG trabou o plan que Alberto Nuñez Feijóo vendera como a solución á suposta desfeita do bipartito. A Xunta recorreu ao Supremo, pero a realidade é que ningún dos adxudicatarios daquela está a arriscarse a montar aeroxeradores. Visto o bloqueo que levou a Galiza a perder o liderado eólico, o sector pediulle á Xunta unha solución con seguridade xurídica para canto antes. Feijóo lanzou este proceso de autorizacións de novos parques, ao amparo da criticada Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais, que os conservadores acaban de aprobar en solitario no Parlamento. Os potenciais beneficiarios deste novo proceso administrativo son os que desvela Sermos Galiza aquí en primicia. Capital Energy realizará os proxectos da árabe Alfanar Group, quen levou o maior anaco da torta da última poxa da enerxía renovábel estatal, 720 megavatios dos 5.037 repartidos en xullo. Para tal investimento, Buezas vai tirar do capital do saudita Alfanar Group. Con máis de 22 mil empregados en 15 Estados, Alfanar é unha das principais corporacións do Oriente Medio en obra civil, petroquímica, enxeñaría e produción de compoñentes eléctricos. [Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 276, á venda na loxa e nos quiosques habituais]
NOS_56430
Dos 3.500 metros de profundidade aos que está afundido o petroleiro até os 1.923 voluntarios e voluntarias que tiveron que ser atendidos de problemas respiratorios.
O 13 de novembro saltaba a alerta que se confirmaría, traxicamente, o 19 dese mes. O 'Prestige, con 77.000 toneladas de combustíbel a bordo, e que sufrira unha vía de auga, afundía. Hai 20 anos. Eis 10 datos para entender o que foi e supuxo aquilo. 1) 2.980. Son os quilómetros de costa afectada polo chapapote vertido polo Prestige. Un total de 1.137 praias e areais prexudicadas. 2) 243. Son as millas percorridas polo 'Prestige' vertendo fuel, desde que se detectou que tiña problemas, 13 de novembro, até que afundiu, o día 18. O seu equivalente en quilómetros é de 450, unha distancia equivalente á que hai entre Pontevedra e Lisboa. 3) 90.000. Son as toneladas retiradas no primeiro ano de limpeza, de area, refugallos e chapapote nos traballos e labores de liempza de costas e praias afectadas polo 'Prestige'. Uxía: "Nunca Máis foi o paraugas baixo o que nos puxemos todas e todos" 4) 10.000. Son as toneladas recollidas daquela, hai 20 anos, e que fican aínda sen tratamento "armacenadas" nunha antiga balsa de pluviais do DDS 1 (depósito de seguridade 1) das instalacións de Sogarisa nas Somozas. 5) 200.000. É o número de persoas que participaron na primeira mobilización de Nunca Máis, o 1 de decembro de 2020 en Compostela e que colapsou a capital galega, incluso as entradas e saídas por estrada 6) 300.000. A asociación ambientalista Adega lembra que o rexistro de recollida de animais 'petroleados' e os datos científicos de cálculo de estimas que existen a nível mundial, "indicaba que a mortalidade efectiva-estimada atinxíu a 125.000-300.000 aves, 337-841 tartarugas, 33-84 cetáceos, 11-28 lobos mariños". 7) 1.923. É o número de persoas que en 2002 e 2003 participaron nos traballos de limpeza do chapapote e que tiveron que ser atendidas por dificultades respiratorias. 8) 3.500. Son os metros de profundidade aos que está afundida a poa do Prestige, a proa está a 3.800 metros 9) 300.000. É a cifra de persoas voluntarias que tomaron parte nos traballos de limpeza do chapapote. A obra de Chévere sobre o 'Prestige' rompe o silencio 10) 90%. É a porcentaxe do parque nacional Illas Atlánticas afectado polo vertido de fuel oil. 11) 2.118. Son as partes que se personaron ao xuízo polo 'Prestige', representando por volta de 14.000 persoas. 12) 400 horas. As horas de xuízo. O xuízo desenvolveuse en 89 sesións, que sumaron por volta de 400 horas de duración. A maior causa instruída no estado español por delito ambiental saldouse inicialmente cunha pena de nove meses para o capitán Apostolos Mangouras, por desobediencia grave á autoridade. Máis tarde, o Tribunal Supremo elevou esa pena a dous anos por delito contra o medio ambiente. 13) 15. Son os buques cada día con mercadorías perigosas e bandeira de conveniencia ante as costas galegas. Da media de 35 buques con mercadorías perigosas que cada día navegan fronte ás costas galegas, 15 teñen bandeira de conveniencia. É dicir, son barcos de Estados que non cumpren os requisitos en seguridade marítima que se requiren na Unión Europea (UE). Só teñen que cumprir as normativas europeas aqueles barcos que toquen porto da Unión Europe. No ano en que afundiu o Prestige no transporte marítimo movíanse 400 millóns de toneladas en bandeiras de conveniencia, en 2021 foron 912 millóns. Estas son as "contas pendentes" do 'Prestige' 20 anos despois 14) 4.442 millóns de euros. Esa cantidade é, para a Fiscalía, a astronómica factura da catástrofe. Fronte a isto, os 2.500 millóns de euros que son a cantidade fixada polo Tribunal Supremo, intereses de demora e custos procesuais incluídos, para as indemnizacións para pagar aos prexudicados: Estado español e francés, Xunta da Galiza, e 265 particulares, empresas, Confrarías e Concellos. 15) 1,3 millóns de euros. O custo para a Xunta do xuízo, segundo no seu momento transcendeu con documentación do departamento de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.
NOS_10359
O Consello da Cultura Galega (CCG) incorpora ao seu "Álbum de Galiza" a entrada do médico e músico compostelán Luís Taibo. Ao mesmo tempo, os irmáns e musicólogos Alberto e Beatriz Cancela tiran do prelo a súa edición crítica da partitura Galaica, do citado compositor. Unha peza que se creou e interpretou por vez primeira en México a comezos do século XX. Conversamos con Alberto Cancela deste e doutros proxectos editoriais vencellados coa música.
Avante Pouca Como nace este proxecto de recuperación de 'Galaica'? Temos feito xa diversos traballos de investigación relacionados coa música e, sobre todo, coa cidade de Compostela, que é onde vivimos. E este proxecto sobre a obra de Luís Taibo, tamén compostelán, interesounos porque, aínda que naceu na Galiza, emigrou a México en 1908 e alí desenvolveu unha importante carreira como médico e como compositor. A raíz do traballo de investigación demos cunha sobriña del que posuía material do compositor e entre ese compendio de cousas atopamos a partitura orquestral de Galaica, composta en México en 1917 e estreada un ano despois. En 1953 interpretouse en Bos Aires, que é de onde vén a copia sobre a que nós facemos o traballo. Decidimos realzar a publicación porque partituras orquestrais na Galiza, e tan antigas, non as hai, porque non se facían, aqueles compositores que podían crear este tipo de música estaban na emigración, e aquí aínda non había orquestras. Esta é puramente galega e consideramos que era importante achegarlle un formato e dála a coñecer, tanto desde o punto de vista musical como do histórico. Avante Media E en que consiste esta edicón crítica que presentan? Unha edición crítica supón facer unha revisión, porque se trata dunha partitura moi antiga e desde aquela a interpretación xa mudou, incluso os propios instrumentos. Facemos esta publicación para deixala a disposición do repertorio das orquestras actuais, e tamén realizamos unha achega sobre o compositor que lle dá máis valor á posibilidade de interpretar a partitura. A obra está inspirada nun libro de poemas de Valle-Inclán, que chega ás súas mans, Aromas de leyenda e, ademais de que o poeta tamén fose galego, Taibo séntese moi identificado porque o comezo do poema é algo que se refire á "afastada memoria da terra afastada", e el tiña moita morriña. Aínda que sempre estivo moi ligado á Galiza e ás súas composicións, con boa parte dos elementos característicos da música galega. Cal é a importancia da obra de Luís Taibo? Esta peza é moi importante na carreira de Taibo, admitido por el mesmo, aínda que era máis especialista na música de cámara, algo que tamén comentaba o propio músico. De feito, a Orquestra de Cámara de Guadalaxara foi o órgano que interpretou a maior parte das súas composicións, mais ningunha delas chegou a nós. Avante Toda O CCG incorpora Taibo ao seu "Álbum de Galiza". O "Álbum de Galiza" ten a entrada de Luís Taibo, que realizamos a petición do CCG a miña irmá e mais eu e, xunto a iso, está a gravación da partitura que foi feita en 1953, promovida polo Centro Galego de Bos Aires e interpretada alí polo director Washington Castro e pola Orquestra Sinfónica LRA. En 2013 publicaron A saga Courtier na Galiza. Fálenos desa primeira obra. Era unha familia de músicos que saía constantemente nas nosas indagacións, así que empezamos a ver quen eran e atopamos un clan moi importante para a música galega. Atopamos tres xeracións de músicos que veñen desde Catalunya e que se instalan en Compostela como violinistas principais da catedral. A terceira xeración está representada por Ricardo Courtier, quen formou parte dos músicos que comezaron a interesarse pola música popular galega, a música de raíz, para inspirárense para as súas composicións de música académica. É dicir, collen a esencia da música popular galega e lévana ao piano, ou a orquestras de cámara. Foron tamén formadores dos máis grandes músicos composteláns.
NOS_43892
A comisión da Competencia da UE decide esta cuarta feira se o naval ten que devolver as axudas polo 'tax-lease'. Unha decisión da que penden máis de 15.000 empregos na Galiza. Vídeo no interior
A comisión de Competencia da Unión Europea decide nesta cuarta feira se o naval do Estado español ten que devolver ou non as axudas do 'tax-lease'. Unha decisión tras a cal, no fondo, está a supervivencia ou non do sector. En xogo, máis de 15.000 empregos directos e indirectos na Galiza. Nestas horas previas á transcendental reunión, centos de operarios do naval galego seguen pechados nos estaleiros, nunha medida coa que queren evidenciar e pór sobre a mesa que hai todo un sector que pende do que hoxe decidan en Bruxelas. Desde a UE falouse nas últimas horas de que esa devolución das axudas pode que fose só desde 2007 e non desde 2005. Un 'abrir a man' que non é tal, como denuncian sindicatos, patronal e goberno, pois segue a afundir o sector. Galiza tería que devolver sobre 1.700 millóns de euros. Unha cantidade que afogaría o naval. Factorías como Barreras ou Vulcano serían as máis afectadas por esta devolución. Danos irreversíbeis Mais nestas tres semanas pendentes de que Bruxelas decida, o naval galego xa pagou un prezo: a perda de seis contratos para construír outros tantos buques.
NOS_45117
Pasado un mes desde o inicio do curso, os centros educativos e as escolas infantís galegas acumulan xa máis de 600 contaxios de coronavirus. Estes focos manteñen dous fechados, ademais de 22 aulas, mais a súa xestión non sempre é áxil, como demostra o caso do colexio de Vite, en Compostela.
Dúas semanas tivo que esperar unha alumna de sexto de Primaria do CEIP de Vite I, en Compostela, para que a Xunta lle programe a proba PCR necesaria para poder volver á clase após un contacto próximo na súa aula. Denúnciao a súa familia, que sinala que desde o día 9, no que se confirmou o contaxio dunha compañeira, até onte á tarde, o Sergas non a citou para a proba á menor, que leva confinada desde o pasado día 13 –data na que se lle comunicou, despois de toda a xornada lectiva, o contacto estreito– e que aínda ten prevista para esta tarde o test. "Como non avisaron até pasada a fin de semana, durante a ponte fixemos vida totalmente normal e mesmo visitamos os avós", sinala Xabier Mouro, pai da crianza, que se confinou durante todo ese período con ela e co irmán pequeno, en espera das dúas probas que, primeiro, confirmarían se houbo contaxio e, no seu caso, a súa negativización pasado o período de illamento. A cuestión, sinala Mouro, é que no seu caso, ao contrario que nos outros contactos estreitos da nena afectada, as probas nunca chegaron e non foi até onte que o Sergas contactou coa familia para practicar a que consideran xa a segunda –sen ter feito ningunha antes– por facerse despois dun confinamento. "Nalgún caso no centro de saúde accederon a facerlla, pero no noso dixéronnos que non poden facer nada, que ten que ser a través da Xunta", explica. Problemas co EduCovid Na raíz deste atraso pode estar, a ollos do proxenitor, un problema co expediente, a xulgar pola resposta que lle deron na Consellaría de Sanidade esta mesma semana, ao asegurar que non tiñan coñecemento até a data, malia que a dirección do centro –afirma Mouro– notificouno a través do programa EduCovid, posto en marcha pola Consellaría de Educación, o propio día 13, e confirmou esa notificación. "Eu estimo que no centro fixeron o que puideron. Contactan con nós cada dous días por teléfono para explicarnos como está a situación. Pero despois, cando escoitas como ao conselleiro éncheselle a boca dicindo que os centros de ensino son a primeira barreira contra a Codiv-19 férveche o sangue", censura o pai da menor, que segue sen poder volver ás aulas, o mesmo que o seu irmán pequeno, malia que en ningún momento tivo contacto co caso positivo –o centro ten confirmados dous positivos, segundo o Sergas– nin coa súa familia, tamén afectada por coronavirus. Segundo apunta, unicamente se prescribiu o illamento para tres compañeiros e compañeiras que sentan na aula perto da menor, a menos de dous metros, "por ter a mesa pegada", e para unha alumna máis que coincidiu no comedor sen máscara. Deles, polo menos tres xa foron sometidos ás probas, entre o sábado pasado e esta semana, é dicir, máis de dez días despois da notificación do contaxio. Contaxios en aumento O caso coñécese nunha xornada na que o Sergas confirmou un aumento dos contaxios en escolas infantís e centros de ensino galegos até máis alá dos 600. Son, en concreto, 601, o que supón 84 máis que os notificados o pasado sábado e obrigan a ter fechadas 22 aulas e dous centros, a escola infantil Santa Ana de Celanova –con dous positivos– e, desde esta semana, o punto de atención á infancia de Boborás, por un único caso, segundo a información trasladada polo Sergas. Desde o inicio do curso son xa tres os centros que tiveron que suspender a actividade presencial pola incidencia do coronavirus, o primeiro, o colexio plurilingüe Calasancio de Pontevedra. Por áreas, a de Ourense é a que segue rexistrando as peores cifras de contaxios, 157, con seis unidades fechadas e tres centros na cidade, o IES O Couto, o CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús e o Luís Vives, con oito casos cada un deles, os mesmos que ten Plurilingüe Sacro Corazón e no IES nº1 do Carballiño e o IES Antón Alonso Ríos, no municipio de Tomiño, na área sanitaria de Vigo. Nela, os contaxios chegaban nesta terza feira aos 124 , mentres que as da Coruña e Compostela contan con 97 e 94 positivos. Pontevedra, Ferrol e Lugo contabilizan 64, 33 e 32 casos.
NOS_44221
O vindeiro xullo faranse os 100 anos do inicio da I Guerra Mundial, un período case descoñecido na historia galega. Con tal motivo, Sermos Galiza prepara un suplemento A Fondo monográfico, un caderno que nos descobre un país en movemento.
-Pouco se coñece da Galiza da I Guerra Mundial, non si? -Xa o di Miguel Cabo na primeira parte do artigo que publicará neste A Fondo. Se alguén quere buscar o que aconteceu neste país na I Guerra Mundial, non o atopará. Non hai ningún manual ao respecto. Semellara que houbera unha especie de paréntese, nun contexto de mudanzas estruturais na sociedade galega. Neste A Fondo intentamos ver se houbo esa paréntese ou se, en efecto, se seguiu nese proceso de mudanzas. -E que se pode concluír? -Foi unha época complexa. As mudanzas continuaron exactamente igual adobiadas pola deslexitimación do réxime da restauración que deu lugar a mobilizacións sociais en todo o estado español e, na Galiza, especialmente importantes. -Que mobilizacións conseguiron, en Galiza, repercusións importantes? -As folgas xerais de fins do ano 1916 e de agosto de 1917 tiveron unha repercusión importantísima nas vilas e cidades galegas e nelas, dalgunha maneira, se perfila unha nova conformación do movemento operario, que pasa dunha estruturación puramente local a unha estruturación, en poucos anos, a nivel de país. A especulación cos produtos de primeira necesidade deu lugar a mobilizacións moi amplas e alianzas de todas aquelas forzas políticas que foran sistematicamente marxinadas pola restauración e que, no caso galaico, tamén inclúe como cuestión específica, o nacionalismo. -Foi unha época importante para Galiza, aínda que descoñecida… -Foi un período moi convulso. O contexto de mudanza xa vén de fins do século XIX e continuará até a II República. Vaise producir un tremendo desenvolvemento industrial, neste país, da industria conserveira. A partir do segundo ano da I Guerra Mundial, hai unha tremenda expansión desta industria, basicamente para subministrar alimentos aos países contendentes. Vai haber unha acumulación importante de capital a todos os niveis neste sector, e a potenciación dun sector industrial auxiliar moi dinámico. -Que temas se van tratar neste A Fondo? - Miguel Cabo abrirá o suplemento cun artigo de fondo no que dá as pautas do período. Uxío Breogán Diéguez vai tratar o salto cualitativo do galeguismo político de cara ao nacionalismo estruturado. Eliseo Fernández e mais eu abordamos a visión do que acontece coa identidade do movemento operario galego. Eliseo focalízao nun episodio que dá moito que pensar sobre a centralidade dunha parte dese movemento operario, o anarcosindicalismo: a celebración do Congreso Internacional da Paz en Ferrol, que vai ter unhas repercusións internacionais interesantes. Abordamos tamén o agrarismo, que nas dúas primeiras décadas do século XX vai conseguir, cunha gran capacidade mobilizadora, a pequena propiedade e mesmo facer que chegue até os nosos días. Por último, como fondo de toda esta reflexión, hai unha entrevista a Xoán Carmona en clave socioeconómica, onde fai un repaso ás múltiples repercusións que ten o conflito nos diferentes eidos da economía e da sociedade galega. -Que cres que sorprenderá deste A Fondo? -Toda esta situación dáse dentro dunha situación de deslexitimación do réxime turnista da restauración e, concretamente, da monarquía. Non sei se será aventurado formular que estamos nun tempo que, en certo sentido, ten características parecidas. Quen lea este A Fondo levará a visión dun país en movemento, con múltiples capas sociais que se mobilizan en defensa dos seus intereses e que avanzan unha visión de país.
NOS_35268
A deputada nacionalista Montse Prado pediu á Xunta non empregar a crise causada pola COVID-19 para voltar a precarizar as condicións laborais do persoal sanitario e instouna a non continuar a política de recortes e privatizacións.
A deputada do Bloque Nacionalista Galego Montse Prado exixiu á Xunta da Galiza "que non persista no erro de primar os intereses económicos fronte ás necesidades asistenciais de todas as galegas e galegos" e instou ao Goberno galego a non cometer "o erro de utilizar a crise da COVID-19 como paréntese e escusa" para continuar co "déficit, a precarización, os recortes e as privatizacións". Para a deputada do BNG representa unha "irresponsabilidade" prescindir de persoal mentres se mantén a emerxencia sanitaria e lembrou que no prazo dunha semana "a Xunta da Galiza tivo que rectificar dúas decisións" que significaban desprotección e precarización de profesionais eventuais, rompendo o vínculo laboral de profesionais que enfermaban polo contaxio do coronavirus e coa rescisión de contratos de profesionais de reforzo. Prado recalca que só a "denuncia pública" provocou que a Xunta rectificara estas decisións "insensatas e inxustificadas". "A primeira lección que nos deixa esta crise é a constatación de que o máis valioso que ten a sanidade pública é o seu persoal", dixo Prado A xuízo da deputada, o proceder da Xunta evidencia "falta de previsión e improvisación" na xestión da crise ademais de demostrar "unha grande irresponsabilidade" ao prescindir de profesionais cando se produce unha pequena baixa asistencial sen ter a seguridade de que se podan producir repuntes na pandemia. Un mes despois de terse decretado a emerxencia sanitaria e o o estado de alarma, explicou a nacionalista, "seguen detectándose deficiencias que aumentan o risco de contaxio e inseguridade". Prado denunciou ademais que "o persoal sanitario continúe sen material de protección suficiente e axeitado contra o risco de contaxio pola COVID-19, que non se realicen tests ao todo o persoal, que se asinan contratos por días e semanas, e que faltan protocolos claros nos servizos. Ademais, Prado tamén destacou o contaxio constante en plantas "non COVID-19" como xa foi denunciado no Hospital de Oza. A parlamentaria do BNG afirmou que "a primeira lección que nos deixa esta crise é a constatación de que o máis valioso que ten a sanidade pública é o seu persoal". "Son magníficas e magníficos profesionais que dan diariamente o mellor de si, arriscando a súa saúde para garantir a da poboación", dixo. Sobre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que o mandatario "gaba ao persoal nas roldas de prensa mais as decisións da Xunta desmenten ese recoñecemento". O BNG pide máis recursos para reducir a sobrecarga "Ao persoal do Sergas "suspendéronlle os seus dereitos de conciliación, días libres, e vacacións pola súa disposición absoluta para atender á pandemia, e resulta necesario compensar ese esforzo", recalcou Prado. Nese sentido, o BNG propuxo manter o persoal contratado para reforzar os cadros de persoal, non só na emerxencia sanitaria, senón mentres se realice a recuperación da "normalidade asistencial". "O mantemento de persoal e recursos deben estar presentes na Atención Primaria, nos ingresos e consultas hospitalarias, na realización de probas diagnósticas, intervencións cirúrxicas e minimizar a acumulación das listas de espera co fin de permitir o merecido descanso do persoal, na medida que a presión asistencial o posibilite para rematar coa enorme sobrecarga que levan anos padecendo", sinalou Prado. A parlamentaria nacionalista tamén pediu que "se tomen de inmediato medidas para garantir a protección de profesionais e minimizar os contaxios", ao tempo que exixiu a realización de tests a todo o cadro, coñecer o número de traballadoras e traballadores do Sergas contaxiados; e pór en marcha protocolos en cada unidade e servizo, baseados na evidencia científica, no risco de contaxio, e non en función da disposición de material. "Hai que rematar coa improvisación de material de protección con bolsas de lixo", advertiu. "O mellor aplauso e recoñecemento", dixo Prado, é defender os dereitos do persoal da sanidade con contratacións estábeis, rematar coa precariedade e repor todas as prazas eliminadas coa aplicación da taxa de reposición para conseguir unha sanidade pública sen recortes e privatizacións.
NOS_38206
Até catro exames terá que pasar o alumnado que queira chegar á etapa universitaria, e despois cada universidade poderá facer máis unha proba de selección. Educación para a cidadanía desaparece do currículo. Na ESO será substituída por outra 'educación', Cívica e constitucional, para formar as crianzas na ideoloxía do PP e da Igrexa católica
O goberno español adiantou nesta cuarta feira información nova da (contra)reforma educativa que está a preparar o ministerio de dirixe José Ignacio Wert. Así, o alumnado terá que enfrontarse a até catro exames distintos, con carácter externo e contidos comúns para todo o estado se quixer chegar á etapa universitaria e, tal e como explicou no Senado a secretaria de Estado, Montserrat Gomendio, a primeira desas avaliacións será aos 8 anos, en 3º de primaria. "A idea é avaliar os coñecementos d@s alumn@s en lectura, escritura e regras aritméticas básicas, co obxectivo de detectar de forma precoz posíbeis problemas de aprendizaxe e estabelecer os reforzos e apoios que cumpran co fin de evitar un abandono escolar prematuro", detallou Gomendio. 11 anos: segunda reválidaEsta primeira proba non terá ningunha consecuencia para a crianza, que poderá pasar de nivel aínda que non a superar. Mais aos 11 anos, para iniciar os estudos de secundaria haberá unha segunda reválida e aquí serán as equipas docentes as que decidan "en función de cada caso" se @ alumn@ ten que repetir "ou pode pasar a secundaria cun informe orientador que deixe claro que reforzos precisa para poder continuar co ritmo normal das aulas". Mudou deste xeito a intención inicial enunciada por Wert para o texto que deron en chamar Lei de mellora da calidade educativa e que pretenden ter redactado en outubro para tramitala no Congreso d@s deputad@s antes de que remate o ano. Así, nun primeiro momento púñase riba da mesa a posibilidade de que se @ estudante que non repetise nunca curso ningún suspendía esta reválida, ao non acadar os coñecementos fixados como mínimos para matemáticas e lectura, debería volver a estudar 6º. En función do sinalado esta cuarta feira, esta posibilidade foi matizada, derivando a decisión cara ao profesorado. ESO e bacharelato: terceira e cuarta reválidaAo finalizar a educación secundaria obrigatoria --ESO-- haberá máis unha reválida, que será distinta dependendo de se o alumnado escoller o vieiro da formación profesional ou do bacharelato. O exame final suporá un 30% para FP e un 40% para bacharelato; o resto da nota tomarase das cualificacións obtidas na secundaria. Ao final do bacharelato o estudantado enfrontarase coa cuarta e derradeira reválida (ou non?), que suporá a desaparición das probas de selectividade tal e como se realizan hoxe. Após superar este exame, cada universidade poderá fixar as súas propias probas de acceso para seleccionar novamente que estudantes queren. A secretaria de Estado confirmou tamén que o ministerio de Educación prevé unha rebaixa na carga de materias, nomeadamente na ESO e no bacharelato, para "reforzar" o tempo dedicado a outras catro: Lingua, Matemáticas, Ciencias e Inglés. En 4º da ESO haberá só dúas escollas, ou FP ou bacharelato; e no bacharelato os camiños serán cinco: Ciencias e Enxeñaría, Ciencias da saúde, Humanidades e Artes e Ciencias sociais. Só se poderá pasar de curso con dúas materias suspensas --até o de agora eran tres--, e Educación para a cidadanía desaparece na primaria e na ESO pasa a se chamar Educación cívica e constitucional, unha clara reminiscencia á materia Formación del espíritu nacional que se impartía nas escolas franquistas. Cando a Igrexa católica mete man no currículo: educar para o sometementoMais non é só o nome o que mudará. No novo temario Wert cede espazo á Igrexa católica e a grupos de ideoloxía afín. Co obxectivo de "eliminar as cuestións controvertidas e susceptíbeis de adoutrinamento ideolóxico" --en palabras do propio ministro-- eludiranse realidades como a homosexualidade e as desigualdades sociais para incorporar un único modelo de familia e unha única sexualidade, e para denunciar o "nacionalismo excluínte". Euskal Herria e Catalunya anunciaron xa que aproveitarán a marxe de manobra na elaboración do currículo que lles dá o feito de teren lingua de seu, até o 45%, para mitigar a carga ideolóxica que a Xunta do PP, coa mesma marxe de manobra pois na Galiza tamén temos lingua propia, pretendía aplicar sen protestar. Andalucía, sen idioma propio e, por tanto, podendo achegar só o 35% dos contidos ao currículo, anunciou tamén que esta nova materia non se impartirá nos centros de ensino do territorio. O currículo de Ética tamén sufrirá modificacións, reproducindo as leccións con que a dereita española 'educa para a cidadanía'.
PRAZA_20423
O pasado outubro a xestora do PSOE retiráralle os poderes a Pilar Cancela, colocada á fronte do partido en Galicia tras a dimisión de Besteiro como secretario xeral nunha interinidade que xa dura 16 meses
O pasado outubro a xestora do PSOE retiráralle os poderes a Pilar Cancela, colocada á fronte do partido en Galicia tras a dimisión de Besteiro como secretario xeral nunha interinidade que xa dura 16 meses A executiva federal do PSOE aprobou este luns que a xestora do PSdeG recupere as competencias para convocar eleccións primarias, e con elas un congreso nacional en Galicia, coas que elixir un novo secretario xeral. O órgano provisional que dirixe Pilar Cancela desde hai 16 meses recupera así uns poderes que lle retirara hai oito meses a xestora do partido a nivel estatal tras a dimisión de Pedro Sánchez. Agora, recuperada a secretaría xeral en Madrid por Sánchez, Cancela, un dos seus principais apoios en Galicia, recupera as competencias que lle quitaran. Tras a dimisión en marzo de 2016 de José Ramón Gómez Besteiro como secretario xeral do PSdeG pola súa imputación na operación Pulpo, o PSOE nomeou a Cancela como presidenta da xestora do PSdeG. A sucesión de eleccións a nivel estatal e autonómico e as pugnas internas polo poder no partido tanto en Madrid como en Galicia fixeron que o a figura da xestora, chamada a ser temporal, se prolongase no tempo. En outubro pasado, tras a dimisión de Pedro Sánchez, tamén o PSOE pasou a ser dirixido por outra xestora, que lle quitou a Cancela as dúas principais competencias que tiña, as de convocar eleccións primarias para a elección dun novo secretario xeral e o congreso nacional que ratifique o seu resultado, que na práctica supoñen devolver o partido á normalidade. Leiceaga amosa o seu desexo dunhas primarias canto antes, Caballero desenténdese do resultado e Formoso descártase como secretario xeral Agora, máis de 16 meses despois de botar a andar a xestora, e máis de 8 desde que se lle quitaron as competencias, Cancela volve ter nas súas mans a posibilidade de devolver o PSdeG á normalidade. Este luns, antes de coñecerse a decisión formal da executiva do PSOE, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, amosaba o seu desexo de que a xestora recuperase as competencias e poida dar pronto a "noticia" da convocatoria dunhas primarias e dun congreso que ao seu ver "xa toca". Esta pasada fin de semana dous dos nomes máis significativos do actual PSdeG, chamados a ser voces importantes á hora de dotar de respaldo a un novo secretario ou secretaria xeral, se desmarcaron de xeito público en maior ou menor medida do proceso. O alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, enfrontado con Cancela, asegurou nunha entrevista con Europa Press que el se desentende do resultado desas futuras primarias. "A min dáme igual o que decida o PSdeG, acéptoo e punto", dixo. Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, máis próximo a Cancela, asegurou a La Voz de Galicia que el non vai ser secretario xeral do PSdeG e advertiu aos seus compañeiros que non conten con el.
PRAZA_7896
O secretario xeral de Universidades afirma no Parlamento que "non é certo" que haxa alumnado que teña que renunciar á súa carreira por non poder facerlles fronte ás taxas: "ninguén quedou fóra", teima. A Coordinadora en Defensa da Universidade Pública critícao e anuncia mobilizacións coincidindo co debate dos Orzamentos na cámara.
"Estamos vendo xa como hai xente que renuncia á matrícula cando chegan ao segundo ou terceiro prazo de pagamento porque non poden asumir o custo. Temos un índice de renuncias un 40% superior ao do ano anterior". O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, explicaba hai poucos días con esta crueza, nunha entrevista con Praza Pública, os efectos que está a ter na institución académica a combinación da crise económica coas reducións de bolsas e as subas das taxas de matrícula. Cada vez máis estudantado abandona a carreira por non podela pagar, viña dicir Armesto, describindo un panorama que, a xuízo da Xunta, é totalmente oposto. Segundo o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, o que di o reitor coruñés simplemente "non é certo" e non lle pasa a "ninguén". "É falso, ninguén quedou fóra da universidade por motivos económicos", mantén No marco dunha comparecencia na comisión de Educación do Parlamento Díez de Castro foi interpelado polos grupos da oposición a conta da alerta dos dirixentes universitarios. Os abandonos son "unha evidencia" e "hai que mellorar o sistema", instouno Ramón Vázquez, de AGE. Hai "milleiros de familias" no paro que non son quen de sufragar os estudos dos seus fillos e fillas, advertiu Cosme Pombo, do BNG. "Van a un modelo neoliberal a ultranza", xulgou Concepción Burgo, do PSdeG. Pero segundo o alto cargo da consellería de Jesús Vázquez nada disto está a pasar. "É falso, ninguén quedou fóra da universidade por motivos económicos", mantén. Segundo Díez de Castro o estudantado que "quedou fóra" das axudas do Goberno central "entrou" nas bolsas da Xunta "e non quedou ningunha persoa en lista de agarda". "Pódese repetir mil veces, pero non é certo", igual que "non é certo", segundo o conservador, "que a taxa de abandono na Universidade da Coruña aumentase un 40%", como denunciou Armesto. Esta afirmación lánzaa baseándose en que "a Universidade de Vigo di que non apreza baixada ningunha; a quen facemos caso, ao reitor da Coruña ou ao de Vigo?", pregúntase. Non obstante, e xusto despois de acusar o máximo responsable da UdC de facer públicos datos falsos, o secretario xeral nega "crispación" ou "enfrontamento" cos reitores. "Hai discusións, cousas que parecen mellor ou peor" pero en "temas" como as taxas "hai acordo e ao final imos todos da man". "É incrible que se digan certas cousas sen ruborizarse. Con seis millóns de parados como pode alguén dicir dende unha tribuna que o que queira estudar pode?", preguntouse Alberte Pérez Viso, da CIG Os representantes da Coordinadora en Defensa da Universidade Pública, que hoxe presentaban as mobilizacións que teñen previstas, criticaron de inmediato as palabras de Díez de Castro: "é incrible que se digan certas cousas sen ruborizarse. Con seis millóns de parados como pode alguén dicir dende unha tribuna que o que queira estudar pode?", preguntouse Alberte Pérez Viso, da CIG. Os colectivos estudantís lembraron o incremento das taxas e denunciaron que moitas das bolsas tardan meses en ser concedidas, "deixando moitos estudantes nunha situación limite". De igual xeito, fixeron fincapé en que "se están incrementando notablemente os impagos de matricula" e Alba Nogueira engadiu que se produce unha importante redución na recadación por matriculas e hai un descenso moi importante nas matriculacións dos masters. Estes e outros datos contradín, na súa opinión, as palabras do secretario xeral de Universidades. Mobilizacións ante o Parlamento As mobilizacións crecerán en intensidade coincidindo co debate no Parlamento da Lei de Orzamentos, os vindeiros 25 e 26 de febreiro A Coordinadora en Defensa da Universidade Pública anunciou este martes o inicio dunha serie de accións de protesta e mobilizacións contra a anunciada redución no financiamento das universidades galegas e os recortes salariais dos traballadores dos centros. As mobilizacións crecerán en intensidade coincidindo co debate no Parlamento da Lei de Orzamentos, os vindeiros 25 e 26 de febreiro. As organizacións que forman a coordinadora: Acción Universitaria, APA (UDC), CIG, CCOO, Comités, CUT, Liga Estudantil Galega, TGU (USC), UGT e USO, solicitarán encontros cos grupos políticos con representación no Parlamento e tamén cos tres reitores. Ademais, están previstos peches e cazoladas en todos os campus e así mesmo a celebración de aulas na rúa. Tamén apoian as concentracións convocadas para este xoves 21 pola Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos a partir das sete da tarde. O luns 25 de febreiro a coordinadora convoca unha concentración ás dez da mañá diante do Parlamento coincidindo co comezo do pleno de orzamentos. Ao longo desa xornada están previstos tamén actos e mobilizacións a desenvolver nas distintas facultades. O martes 26 varios dos grupos convocan un paro de catro horas para apoiar a manifestación que diante da cámara pedirá que non se apliquen os recortes previstos sobre os servizos públicos. Estará acompañado pola celebración dun pique-nique con pan e auga "porque a pan e auga é como nos pretenden deixar"
PRAZA_18272
O Instituto Galego de Vivenda e Solo admite que tras dous anos en funcionamento o resultado do plan da Xunta para facilitar pisos en alugueiro a baixo prezo é "escaso", con só 7 pisos adxudicados a familias, pero responsabiliza aos cinco concellos urbanos que non se sumaron a el. O PSdeG insta a reformular o proxecto DATOS | Os pisos en alugueiro encadean un trienio de subas e o prezo medio na Coruña e Vigo xa rolda os 500 euros
DATOS | Os pisos en alugueiro encadean un trienio de subas e o prezo medio na Coruña e Vigo xa rolda os 500 eurosApenas un mes despois das eleccións municipais que, en maio de 2015, supuxeron un notable devalo para o PP en Galicia, a Xunta comezou a escenificar o que deu en ser alcumado como 'xiro social' do gabinete de Alberto Núñez Feijóo, anunciando un paquete de medidas neste ámbito que despois alargaría coa creación da Consellería de Política Social, encomendada ao ex-alcalde de Ferrol José Manuel Rey Varela ata o pasado setembro, cando a abandonou para volver optar ao bastón de mando ferrolán. Unha das medidas máis subliñadas pola Xunta dentro desa "axenda social" foi o programa de vivendas baleiras, concibido para destinar inmobles deshabitados "ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas". Dous anos despois da súa posta en marcha o proxecto incorporou 16 pisos e adxudicou 7.Dous anos despois da súa posta en marcha, promocionado pola Xunta como clave no seu 'xiro social', o programa de vivendas baleiras incorporou 16 pisos e adxudicou 7 delesA base deste programa foi un convenio asinado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en maio de 2016. Neste convenio a asociación municipalista comprometíase a "difundir e promover a incorporación dos concellos" ao Programa de Vivendas Baleiras. Os municipios, segundo o texto, actuarían como intermediarios entre as persoas propietarias dos pisos baleiros e o IGVS, ademais de proporen "o procedemento de selección de arrendatarios e de adxudicación de vivendas" dende o "respecto" aos "requisitos" do programa, tales como priorizar familias atinxidas por un desafiuzamento ou os limiares de renda máis baixos.O IGVS, pola súa banda, comprometeu no acordo a suscrición dun "seguro multirrisco do fogar" para as vivendas incorporadas e outro de "garantía de cobro da renda e defensa xurídica" en caso de impagamentos por un período máximo dun ano. Os alugueiros non poden exceder os 350 euros na Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Pontevedra, os 250 euros en Lugo, Ferrol e as principais vilas e cabeceiras de comarca e os 200, no resto do país.O director do IGVS admite que "os resultados son escasos", pero culpa do fracaso aos gobernos das cidades que non se sumaron ao planSegundo os cálculos da propia Xunta, entre 2016 e 2019 prevía que se puidesen beneficiar das axudas unhas 600 vivendas, se ben os primeiros balances de concellos incorporados suxerían que o alcance ía ser notablemente menor. Así, por exemplo, o pasado xuño figuraban como adheridos e "con bases reguladoras aprobadas" un total de 53 municipios. Esas escasas cifras foron ratificadas este martes no Parlamento polo director xeral do IGVS, Heriberto García, que a preguntas do PSdeG admitiu que na actualidade "o número de vivendas totais" das que dispón o programa "son 16", das cales "7 están adxudicadas" a familias que as precisan e "tres, en trámites"."Os resultados son escasos, non o negamos, non cumpren coas expectativas", admitiu o alto cargo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, quen non obstante traslada boa parte da responsabilidade do aparente fracaso do programa aos concellos. Concretamente, aos gobernos das principais cidades galegas. "Unicamente Ourense e Santiago están adheridas" e "o resto das cidades rexeitárono", algo que ao seu xuízo "non parece lóxico" porque nas cidades existe "demanda" de vivendas en alugueiro a baixo prezo e ademais "moitas das candidaturas que hoxe gobernan" concellos urbanos "propoñían programas similares". Segundo García, é "especialmente significativo o caso de Vigo" e, en calquera caso, "calquera solución" aos raquíticos resultados "pasa pola incorporación dos concellos".O PSdeG insta a "revisar" o programaMaría Pierres (PSdeG), lamenta o "esforzo totalmente errado da Xunta, dirixido a adherir os concellos" e non ás persoas propietarias de pisos baleirosPara a deputada socialista María Pierres, autora da pregunta ao director do IGVS, a Xunta non debera descargar "dubidoso éxito" do programa de vivendas baleiras unicamente nos concellos. Non en van, exemplifica, en comarcas como o Barbanza, onde dogbernos locais se sumaron "con entusiasmo" ao proxecto, aínda non foi adxudicada "ningunha vivenda" e en Ourense, con goberno do PP, non se adxudicou polo momento "nin sequera un piso" polas "deficiencias dos cinco inmobles" ofertados, "rexeitados mesmo habendo 80 demandantes".A Xunta, segundo Pierres, realizou un "esforzo totalmente errado, dirixido á adhesión dos concellos" que "ademais de ter unha dirección cuestionable, ofreceu uns resultados nefastos". No seu lugar, coida a socialista, debera "incentivar a participación dos propietarios" das vivendas, alén de "contemplar todas as fórmulas para impulsar vivendas de promoción pública". Neste sentido, Pierres coida que "as garantías previstas polo IGVS", como os devanditos seguros, "non son suficientes, máxime coa chegada para quedar das vivendas turísticas". Neste contexto, insta a Xunta a "aprender dos erros" e tras estes resultados "tan negativos", fixarse en exemplos "máis eficaces" a nivel municipal ou noutras autonomías, así como a aplicar os acordos do debate de política xeral en materia de ampliación do parque de vivenda pública. Segundo o rexistro de demandantes de vivenda protexida, a maior parte da poboación que agarda por un destes pisos desexa vivir de alugueiro.
NOS_5305
"Por fases e sen consecuencias" sucede a "degradación" dos elementos patrimoniais da capela do Monte Faro, entre Chantada e Rodeiro. Denúnciana as dúas edís de Por Chantada nun documentado escrito que veñen de remitir á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta.
"Observamos as seguintes alteracións, algunhas irreversíbeis", sinala o documento, "que desfiguran ou fixeron perder para sempre elementos patrimoniais nunha capela que é das máximas expresións da relixiosidade popular das comarcas de Chantada e Camba". Enmarcan varias delas na "urbanización de espazos rurais" que, a maiores no caso do Faro, están protexidos como Lugar de Interese Comunitario (LIC), Rede Natura e futura Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra. Máis en concreto, Antom Fente e Cruz Fernández critican o movemento macizo de terras e a instalación dun zócolo, que definen como "beirarrúa de pedra lousada, continuando con actuacións de urbanización de espazos rurais". Ademais, retirouse "o derradeiro claustro/corredor do século XVIII", que era o acceso á cafúa, "onde se gardaban as ofertas dos fieis". O solo con pedra serrada "colocado hai tempo sen licenza sobre o chan orixinal", os caleiros de zinc "sen integración estética coa contorna e que xamais se autorizarían a particulares nas parroquias atinxidas polo LIC Monte Faro", o uso de uralita por baixo do tellado ou as xanelas de aluminio" converteron a capela, ao ver de Por Chantada, "nunha construción que semella unha casa do rural arranxada por fases e desde o ti vai facendo". Os concelleiros cren que se trata "dun caso claro de inhibición das propias competencias" de Patrimonio e por iso solicitan unha resposta oficial, copia das autorizacións e información sobre "actuacións pasadas e previstas". "Queremos pór de relevo a continuada merma de elementos do patrimonio no Concello de Chantada e a máis absoluta inacción dos poderes públicos", resume o escrito, quen apunta ademais á "incoherencia" entre o deterioro da realidade patrimonial e a impunidade con que sucede e os instrumentos e figuras de protección oficiais. Nota: imaxes da capela de Monte Faro en que se observan xanelas de aluminio e caleiras de zinc. Fotos: Por Chantada.
NOS_143
A coordinadora de EU, Yolanda Díaz, asegura que "non hai ningún risco" de ruptura por parte de Anova, aínda que admite diferentes apostas da súa formación e do partido que lidera Xosé Manuel Beiras de cara ás eleccións galegas.
A coordinadora de EU e deputada do Grupo Confederal de Podemos-En Marea, Yolanda Díaz, apelou á "altura de miras" das organizacións que conforman En Marea a respeito da concorrencia ás eleccións de xuño e logo de que Anova anunciara que consultará a militancia na vindeira semana sobre a fórmula xurídica de En Marea. "Sería un erro que EU, por intereses propios, non participase nesta alianza", sinalou en declaracións aos medios na xornada preparatoria que realiza este sábado EU de cara á Asemblea Federal de IU en Madrid. Preguntada polas diferenzas políticas con Beiras, Yolanda Díaz asegurou que o debate arredor da fórmula xurídica de En Marea foi "bastante estéril" e admitiu que existen "diferentes apostas para as autonómicas, e iso é moi lexítimo para Anova, para EU e para Podemos e as forzas que haxa neste país". Aposta polas Mareas en Común Nesta reunión, na que EU elixe os 17 delegados e delegadas que asistirán á asemblea de Madrid, acordouse que a formación defenda unha aposta "clara e nítida" nos procesos de unidade popular. Así o afirmou en declaracións medios Rubén Pérez, secretario de Organización de EU: "Imos facer unha aposta en consolidar o espazo das Mareas en Común e agrandalo xunto co espazo de En Marea que se construíu para as xerais".
NOS_36554
Chega un novo Sermos Galiza á rúa. O 225 vén ateigado de temas que van desde a baixada progresiva dos xuros da banca, até acadar a contorna do 0%, até as as incógnitas que abre o Brexit na frota galega, pasando pola entrevista ao secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, ou ao músico Budiño. Todo isto e máis xa á venda na loxa.
O Sermos Galiza 225 chega ás rúas e abre múltiplas frontes a respeito dos xuros baixos da banca. Que hai detrás deles? Tratamos de dilucidalo e para iso contaremos, entre outras, coa voz de Ana Folgar, secretaria xeral de Adicae na Galiza. Aliás, este novo número recolle as opinións de Pilar García Negro e de Xavier Queipo e continúa cunha sección de Sociedade en que dedicamos unha ampla reportaxe arredor das algas. Así, explicamos por que Galiza é unha potencia en verduras do mar. O labor do equipo de normalización lingüística do IES de Chapela completa a sección. En Política, o Sermos 225 inclúe unha entrevista co recentemente elixido secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, que explica como se achega a mocidade á organización xuvenil do BNG. Tamén damos conta das intencións do PNV á fronte de Euskadi. A situación política en Austria após as eleccións e a de Italia após a demisión de Renzi son tratadas no semanario, que lle dedica unha dupla páxina á disolución da URSS, coincidindo co 25 aniversario do Tratado de Belavezha. Os intereses da pesca galega logo do Brexit e a transformación social do rural galego son outros dos temas que analiza o Sermos Galiza 225, que se completa coa entrevista a Budiño polos case 20 anos do seu primeiro disco; coas críticas de cinema (Toni Erdmann) e literaria (Suicidas); coa revisión de Xardín Queimado por parte do seu autor Manuel Forcadela; coa axenda e mais coas columnas sobre o Ano Manuel María, que fai un balanzo do ano, e Botar un ollo, en que Pepe Barro escribe sobre o tríscele do Celta e a UEFA. O colectivo XEA lévanos desta vez de viaxe por Penarrubia e Alfonso Barreiro achéganos a última entrega da Banda Deseñada. O selfie, nesta ocasión, dedicámosllo a Xosé Leal, deputado responsábel de Cultura da Deputación de Pontevedra, que finaliza os actos do Ano Castelao. Aliás, acompaña o Sermos desta semana o caderno de análise Comprendermos. Todo isto e moito máis no Sermos Galiza 225, xa á venda na loxa online.
NOS_46812
Cara a cara do máis igualado entre os representantes da Galiza na Liga Guerreiras.
O último derbi da tempada na Liga Guerreiras Iberdrola, a máxima categoría do balonmán estatal, xógase hoxe ás 20.30 horas no Pavillón Municipal do Porriño entre a escuadra local e o Mecalia Atlético Guardés, que será retransmitido en directo pola canle oficial de Youtube do Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño. O encontro estaba previsto para a súa disputa o pasado mes de febreiro, pero debido á aparición dunha serie de casos de Covid-19 no cadro persoal do Guardés tivo que ser aprazado. Agora a situación de ambos os equipos é ben diferente, comezando por un Guardés que vén de esmagar con extrema contundencia o fechacancelas da Liga, Zonzamar Cicar Lanzarote (38-16), triunfo que o sitúa no quinto posto da táboa con 28 puntos. Pola súa parte, o Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño, que disputou un partido menos que o Mecalia, sumou até o de agora 16 puntos que o sitúan na décima posición, lonxe do descenso, pero tamén dunha cabeza da que perdeu o tren tras caer a semana pasada na casa terceiro clasificado, o sempre difícil Costa do Sol Málaga (21-27). A pesar desa superioridade na clasificación xeral do Guardés, o feito de que O Porriño xogue ante o seu público e que a principal característica de ambos os bloques sexa a irregularidade, xera un escenario de incertezas que remite ao precedente máis inmediato, o partido da primeira volta da Liga Guerreiras na que o Mecalia Atlético Guardés venceu comodamente no Pavillón da Sangriña por un resultado de 33-22. O técnico do Conservas Orbe Rubensa, Ismael Martínez, manifestou na rolda de prensa previa ao encontro a súa intención de que o conto sexa radicalmente distinto neste partido de volta: "Chegamos nun bo momento, polo que pensamos que este será un partido diferente e moi ilusionante, un derbi que levamos esperando moito tempo, sobre todo porque, como nos pasou en Málaga a pasada semana, no partido de ida non estivemos á altura, así que a todas nos gustaría que se pareza máis ao que gañamos na Copa Galiza". A Galiza sufre no Estatal de base Luces e sombras para as seleccións galegas que están representando o país no Campionato de España de Balonmán por Territorios. A noticia máis positiva foi o pase a semifinais da Irmandiña infantil masculina, logo de vencer Madrid por 29-2 na rolda de cuartos de final. O outro combinado galego que logrou avanzar até a penúltima eliminatoria foi o xuvenil feminino, mais non podemos ofrecer o resultado do seu duelo ante Euskadi nestas liñas por finalizar fóra do horario de fechamento desta edición. O resto de representantes do país caeron eliminados prematuramente, algúns de modo especialmente doloroso, como foi o caso da selección infantil feminina. A pesar do seu teórico favoritismo, unha inesperada derrota con Canarias, seguida doutra ante Nafarroa, deixouna fóra do torneo. A cadete feminina tamén está eliminada, logo de perder pola mínima (17-18) ante o combinado de Euskadi, pagando uns nervios que se traduciron nun parcial en contra de 4-0 nos últimos intres que resultou vital para o devir do encontro.
NOS_51710
A cantante organiza esta fin de semana un festival para devolverlle ao pequeno pobo no que naceu todo o agarimo que os seus paisanos lle brindaron. Dover, Rosendo, Vega e Chris Barron, entre outr@s actuarán no 'Festival de la Luz'. A recadación das entradas destinarase a unha causa solidaria: a loita contra o cancro.
Non están os tempos como para organizar grandes eventos musicais e menos se son de nova creación. O que se está a celebrar en Boimorto esta fin de semana é algo diferente, especial. Luz Casal convídanos a partillar o seu espazo vital, o lugar onde naceu, a súa casa, Andabao, para asistir a dous días intensos coas mellores bandas de música e cantantes do momento. As amizades de escenario non faltaron a esta cita e pola pequena aldea pasarán, en dous escenarios diferentes, hoxe a propia Luz Casal, Vega, Di Elas, Luar na Lubre, Eladio y los seres queridos, Eme DJ, Mäbu, Riff Raff e Ith, Soledad Vélez, Lorena Álvarez, Alondra Bentley, Davile Matellán e El Viejo Caracol. o domingo será o día de Anni B Sweet, Boat Beam, Stereotipos, Jane Joyd e Rubén Moinelo, Rosendo, Dover, Chistina Rosenvinge, Chris Barron, Basia Bulat, Novedades Carminha e Nova Galega de Danza. O máis importante é o destino das entradas a unha causa solidaria: a loita contra o cancro Algo máis ca músicaO Festival de la Luz aposta pola multifuncionalidade. Un mercado alternativo potenciará as outras maneiras de vivir no rural. A idea é que neste espazo, durante o festival, varias empresas da zona mostren os seus produtos e servizos. "Non se tratará de simples casetas expositivas, será un mercado de experiencias", explican desde a organización. Entre os sectores que estarán presentes hai de todo: gastronomía, novas tecnoloxías, enerxía e medio ambiente e tamén servizos. Mais o encontro musical e a propia difusión de alternativas comprometidas co medio rural non son a razón máis importante. O máis importante é o destino das entradas a unha causa solidaria: a loita contra o cancro. A cantante galega asegurou que o evento terá continuidade. Tod@s agardamos que así sexa.
NOS_27410
Sumar forzas arredor da idea da Galiza como nación. Evitar que o país desapareza no buraco negro da recentralización. Esas ideas bolen na cabeza de Ana Pontón, coa que falo no seu despacho de portavoz do grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo. Ve o panorama con inquedanza polo reforzo dos ticks autoritarios do Estado, mais ten confianza na capacidade de reacción do pobo galego. E apela a facer política valente e sen complexos. É a entrevista política do Sermos272. Eis un avanzo.
-Estás a apresentar estes días polo país as Bases Democráticas. En que consisten realmente? -As Bases Democráticas son unha proposta do BNG para superar o actual Estatuto e a actual Constitución e poñer a referencialidade -no momento en que parece que Catalunya o absorbe todo- en que Galiza ten moito que dicer neste debate. Porque se un país necesita o nacionalismo ese país é Galiza, porque somos os que máis padecemos as consecuencias negativas deste estado recentralizado e autoritario. e iso vémolo todos os días en problemas estruturais que non se solucionan e en como o noso país continúa a viver o drama da emigración, salarios máis baixos, un sistema de pensións que nos discrimina e unha deterioración crecente do que son os nosos servizos públicos. E, polo tanto, esta é unha proposta política para situar Galiza no debate que está aberto e, alén do máis, desde a liberdade absoluta de que nós consideramos que o máis útil que podemos facer é defender unha superación do actual marco constitucional e estatutario. -E que traslación poden ter as Bases ao Parlamento? -Ben, non vexo Alberto Núñez Feijóo a defender esta proposta porque o seu proxecto é antitético. O que defende é a subordinación e a anulación política de Galiza. Imaxínome que por iso responde con tanta agresividade a propostas que parecen tan lóxicas como que teñamos un marco onde avaliar o que significaron todos estes anos de autonomía e Constitución e ver que propostas ten cada forza política perante o cambio de ciclo evidente que estamos a viver. A súa resposta é o insulto e intentar a criminalización do nacionalismo, mais iso lonxe de ser unha fortaleza mostra a súa debilidade. O que nos revela é que este é un problema para el porque o vai deixar espido perante unha sociedade galega que, máis alá do que poda votar en cada proceso eleitoral, si creo que ten unha vontade nacional e que, sobre todo, non ficaría parada perante un novo agravio a Galiza que, penso, é o que se está a xestar neste momento no Estado. -Mais por que o PP si aceita abrir unha comisión no Congreso que eventualmente poda alumear unha nova Constitución e, en troca, na Galiza non teñen intención de falar de nada? -Eu, porén, si creo que nesa comisión que está constituída no Congreso non se vai decidir nada e máis ben foi unha proposta que fixo o PSOE e dá a impresión de que a súa conformación foi o prezo político que pagou o PP para ter ese apoio entusiasta do Partido Socialista á aplicación do 155. Mais estamos a ver que a definición das dinámicas políticas no Estado vai depender máis do que pase nas nacións sen estado, coa forza que está a demostrar Catalunya neste proceso, e non tanto do que poda dar de si unha comisión constitucional no congreso. Desde logo se o noso futuro se vai decidir nesa comisión son pesimista porque daí o único que pode é saír un modelo máis recentralizado, que é o que defenden PP e PSOE, e unha anulación política de Galiza. Polotanto, as Bases Democráticas constitúen unha proposta feita desde aquí e o que plantexa é que pensemos como galegas e galegos que futuro queremos e non termos a actitude de esperar a ver que é o que nos dan desde Madrid. O proceso máis ben ten que ser á inversa. [A entrevista íntegra, unha dupla páxina, aparece no Sermos272, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais]
PRAZA_18838
O Tribunal Superior di que o custo que á empresa lle supón o "cumprimento estrito do convido" coa Xunta "puido e debeu ser tomado en consideración no momento de subscribir o concerto"
O Tribunal Superior di que o custo que á empresa lle supón o "cumprimento estrito do convido" coa Xunta "puido e debeu ser tomado en consideración no momento de subscribir o concerto""O alegado [por Povisa] non é máis que o feito de que o cumprimento estrito do convido co Sergas suponlle un determinado custo, que puido e debeu ser tomado en consideración no momento de formular a súa oferta e subscribir o concerto". Así rexeita o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nunha sentenza con data do pasado luns día 17, a pretensión do hospital vigués Povisa de que a Xunta lle mellore diversos elementos do concerto que asinaron en 2014. Malia o reproche xudicial de que nada cambiou desde aquela e que a empresa debeuno pensar mellor antes de asinar se agora non está conforme co resultado do acordo, dous días despois, o mércores 19, Xunta e Povisa confirmaban que van modificar outros elementos daquel concerto a petición da empresa privada. Povisa, o maior hospital privado concertado de España, leva anos sendo o centro de referencia para preto de 140.000 persoas da área sanitaria de Vigo, incluso despois da apertura pola Xunta hai tres anos do novo gran hospital da cidade, o Álvaro Cunqueiro, e malia as súas lisas de espera que superan amplamente as do resto de hospitais públicos. O concerto foi renovado por última vez en setembro de 2014 e catro anos despois, o pasado 28 de setembro, a dirección da empresa anunciou que viña de solicitar preconcurso de acredores por perdas acumuladas de 42 millóns de euros que atribuía a ese último acordo coa Xunta. Unha ameaza que sacou á rúa aos traballadores do centro privado e que forzou ao Goberno galego a negociar diversas peticións de mellora do acordo que lle formulou a empresa. Porén, pouco Antes de ameazar cun concurso de acredores para que a Xunta lle mellorase o concerto, Povisa xa recorrera pola vía xudicial sen éxito e agora o TSXG vén de reiterar que non tiña razónPorén, antes desa negociación aberta hai tres meses, Povisa xa recorrera á xustiza, que en outubro de 2017 rexeitou en primeira instancia diversas reclamacións que a empresa formulou contra o convenio asinado tres anos antes. Povisa recorreu esa sentenza e agora o Tribunal Superior volve rexeitar as súas peticións. Segundo a sentenza emitida o pasado luns e divulgada polo tribunal este xoves, no proceso xudicial a empresa non foi quen de argumentar ou probar que desde a sinatura do convenio se producise "ningunha causa sobrevida que influíse nas circunstancias existentes no momento da sinatura do concerto". Segundo a sentenza do TSXG, por parte de Povisa "non se alega propiamente ningunha circunstancia que altere de xeito sobrevido as circunstancias existentes no momento da sinatura do concerto e que afecte á economía do concerto, senón que o alegado non é máis que o feito de que o cumprimento estrito do convido co Sergas suponlle un determinado custo, que puido e debeu ter tomado en consideración no momento de formular a súa oferta e de subscribir o concerto".Malia a sentenza con data do luns, o mércores a Xunta e Povisa confirmaron que veñen de chegar a un acordo para modificar a petición da empresa varios elementos daquel concertoMalia esa sentenza con data do luns, o mércores a Xunta e Povisa confirmaron que veñen de chegar a un acordo para modificar a petición da empresa varios elementos daquel concerto sobre os que o tribunal non se pronunciou expresamente. Entre outras cuestións, o Sergas pasará a asumir a subministración directa de medicación hospitalaria aos pacientes adscritos a Povisa, elemento que a empresa argumentaba que lle estaba a supoñer máis custo do previsto no concerto de 2014. A cambio, a contía anual por paciente adscrito que recibe Povisa baixará de 540 a 504,79 euros. A propia Xunta di na súa nota de prensa sobre o acordo que o seu interese é "garantir a calidade e seguridade da asistencia sanitaria en Povisa e manter o emprego estable no centro", admitindo así de xeito implícito que o peche do hospital, segundo sinalan fontes do sector, implicaría unha crise asistencial e laboral máis grave que a de ceder agora a algunhas das peticións da empresa. Pero Povisa non se dá por satisfeita e di que malia que o acordo agora acadado evita o concurso de acredores, a súa situación de déficit redúcese "pero non desaparece", o que a obrigará "a tomar medidas internas de redución de gastos e aumento de ingresos". Porén, pese a esa suposta situación deficitaria á que a empresa di agora que a aboca o concerco co Sergas, Povisa segue a intentar captar máis pacientes concertados dos que xa ten.
NOS_17590
As acusacións contra o dianteiro datan de 2017
A Audiencia Provincial de Almería acollerá a vista oral contra o futbolista galego Santi Mina, xogador do Real Club Celta de Vigo, quen se enfronta a unha petición fiscal de oito anos de cárcere acusado de agredir sexualmente a unha muller no mes de xuño do ano 2017, mentres estaba de vacacións no municipio de Mojácar (Andalucía). O procedemento, que recaeu na Sección Terceira, está á espera de que se dite auto de apertura de xuízo oral, xa que a defensa aínda non presentou as súas conclusións provisionais, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía (TSXA). A Fiscalía de Almería si formulou acusación contra Santi Mina por un presunto delito de agresión sexual e pide para el, á marxe da pena de prisión, que se lle impoña medida de liberdade vixiada durante dez anos e que se lle prohiba achegarse a menos de 500 metros á vítima ou comunicarse con ela polo mesmo período de tempo. O escrito de cualificación provisional do Ministerio Público recolle que o dianteiro celeste accedeu na madrugada do 16 de xuño de 2017 a unha caravana estacionada nas proximidades dunha discoteca, onde estaba cun amigo e a súa parella. Segundo informaron fontes xudiciais, a Fiscalía sostén que entraría "completamente espido" e que, "con ánimo libidinoso para satisfacer o seu apetito sexual e a pesar da manifesta vontade contraria da vítima", dirixiuse a ela dicíndolle "mira, moza, ti gústasme moito e creo que deberiamos facer algo". Cando a muller lle contestou que ía á caravana coa outra persoa, o escrito recolle que o procesado sairía "un minuto" para volver entrar e, após dicirlle á muller que "lle gustara moito", presuntamente perpetrou a agresión sexual. Ademais de lesións físicas "a consecuencia do ataque" que o Ministerio Público imputa a Santi Mina, a vítima sofre sintomatoloxía ansiosa "grave" relacionada cos feitos, por iso solicita que se lle indemnice cunha cantidade económica de 50.000 euros, segundo precisaron as mesmas fontes, que apostilan que as secuelas que padece supuxeron que se vexa "moi afectada a súa vida cotiá" por un "trastorno de tensión postraumática crónico directamente relacionado" coa suposta agresión sexual que se vai axuizar.
NOS_24924
Sería unha reunión de ''iniciativas cidadás'' de Galiza e o Estado, explicou Xulio Ferreiro, para falar do novo ciclo "e consolidar alianzas".
Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, apuntou esta quinta feira a intención de organizar na cidade unha xuntanza do que "temos chamado rede de concellos rebeldes, de iniciativas cidadás do país e do Estado, para falar do novo ciclo político que se abre e consolidar alianzas". A proposta foi apoiada "positivamente" por Martiño Noriega, de Compostela Aberta, que mantivo un encontro informal na Coruña con Ferreiro ao coincidir ambos os dous nunha conferencia de Vicenç Navarro na Facultade de Dereito da Coruña. Noriega considera "fundamental" os pasos para "tecer redes" e incidiu na coincidencia de MA e CA en ir alén "dun simple cambio de caras" para apostar no "cambio de políticas de fondo". "Sabemos que o contexto non é favorábel, mais sóbranos ilusión", afirmaron, salientando que ambas formacións coinciden e partillan propostas e códigos. Imaxe tirada do twitter persoal de Xulio Ferreiro: @XulioFerreiro
NOS_36071
Na Galiza hai 57 persoas ingresadas na UCI e 457 noutras unidades de hospitalización.
Os casos activos da Covid-19 redúcense en 16.825 na Galiza, por mor da aplicación do novo protocolo polo que se recibe a alta aos sete días se o paciente non ten síntomas, polo que o país conta na actualidade con 59.451 infeccións. Pola súa parte, os pacientes hospitalizados por este coronavirus ascenden a 514 (+6), mais a taxa de positividade baixa lixeiramente a 25% no conxunto da Galiza. Segundo os datos actualizados na mañá desta quinta feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da cuarta feira, nos que se inclúen os positivos por autotest e aplícase o protocolo de altas aos sete días se o paciente non ten síntomas, increméntanse a 57 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 (+2) e a 457 as hospitalizadas noutras unidades (+4), mentres que 58.937 atópanse en seguimento no seu domicilio a través da Atención Primaria. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase en dúas —Lugo-A Mariña-Monforte e Pontevedra-O Salnés—, mantense na de Vigo e aumenta nas outras catro: A Coruña-Cee, Compostela-O Barbanza, Ourense-Verín-O Barco e Ferrol. No caso da de Lugo descenden a catro os pacientes Covid en UCI (-1) e a 45 os ingresados noutras unidades (-6), mentres que na de Pontevedra aumentan a oito o críticos (+1), pero baixan a 60 os hospitalizados noutras unidades (-6). Polo seu lado, na área de Vigo aínda que aumentan a 13 os pacientes Covid en UCI (+2), baixan a 79 os ingresados noutras unidades (-2). Pola contra, na de Compostela soben a sete os críticos (+1) e a 69 os doutras unidades (+6). Na da Coruña increméntanse a 15 os pacientes Covid en UCI (+1) e a 103 os ingresados noutras unidades (+4) e na de Ourense, aínda que descenden a seis os críticos (-2), aumentan a 70 os doutras unidades (+4). No caso da área sanitaria de Ferrol mantéñense catro pacientes en UCI por este coronavirus, mentres que aumentan a 31 os hospitalizados noutras unidades (+4). 16.825 casos activos menos Coa adopción por parte do Sergas do novo protocolo de altas de pacientes infectados pola Covid, os casos activos sitúanse en Galicia en 59.451 (-16.825). Con máis casos activos mantense a área sanitaria de Vigo, con 14.074; seguida da da Coruña, con 11.893; Compostela, con 9.173; Ourense, con 7.738; Pontevedra, con 6.610; Lugo, con 6.317, e Ferrol, con 3.646. Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade esta cuarta feira 12 de xaneiro, a incidencia acumulada a 14 días da Galiza aumenta a 3.165 casos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 3.128 de media no Estado. Novo récord de contaxios Os novos contaxios da Covid-19 sitúanse en 7.875 no conxunto do país, que supoñen 468 menos que o día anterior, tras os 5.927 da terza feira e os 4.966 da segunda. A Galiza acumula desde o inicio desta pandemia 310.727 positivos por coronavirus. Aliás, nas últimas 24 horas realizáronse 8.168 PCR, que supoñen unhas 380 menos que o día anterior, e elevan a 3.440.648 as feitas desde o inicio da pandemia; e 12.469 test de antígenos (-530), que suman 1.256.543, o que implica 20.637 probas efectuadas entre ambas (+142). Segundo os datos actualizados por Sanidade co cambio de protocolo, nas últimas 24 horas abríronse 7.061 novos casos da Covid. En canto á taxa de positividade en PCR —número de infeccións detectadas cada 100 test—, descendeu lixeiramente a 25,3%, tras repuntar a 26% na cuarta feira. Vítimas mortais As persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19 desde o inicio desta pandemia en toda a Galiza ascenden a 2.832, ao notificar a Consellaría de Sanidade esta cuarta feira tres novas vítimas. Fronte a iso, 248.490 persoas diagnosticadas de coronavirus curáronse no país desde o comezo desta crise sanitaria, que representan 24.697 máis que as rexistradas até o día pasado —coa aplicación do novo protocolo de altas—.
PRAZA_19800
O pleno aproba unha moción do grupo liderado por Gonzalo Pérez Jácome que critica a "inacción" do Goberno municipal e pide a dimisión de Jesús Vázquez. Ourense en Común negouse a participar na sesión extraordinaria convocada exclusivamente para este fin e presentou un Acordo de Traballo para a cidade
O pleno extraordinario celebrado este mércores en Ourense aprobou -cos votos a favor de Democracia Ourensana (DO) e PSdeG-PSOE e o voto en contra do PP- unha moción presentada polo grupo liderado por Gonzalo Pérez Jácome que critica a "inacción" do Goberno municipal e a "procrastinación crónica" do alcalde Jesús Vázquez, pedindo ademais a dimisión do rexedor. Ourense en Común (OeC) negouse a participar na sesión convocada exclusivamente para esta proposta, criticando tanto os incumprimentos do Concello coma o "circo mediático" de DO. A proposta de Democracia Ourensana sinalaba 27 tarefas pendentes que o Goberno municipal deixou de realizar nos seus case dous anos de xestión, comezando polos propios orzamentos da cidade, non aprobados o pasado ano e que no presente exercicio non foron nin sequera presentados. Tamén apuntaba outras eivas, coma o PXOM, unha Relación de Postos de Traballo no Concello, a apertura da Praza de Abastos da Ponte, a supresión de bolardos, a construción dun aparcamento no Barrio da Ponte, un proxecto para a antiga cárcere ou as concesión do servizo da ORA, da limpeza da dependencias municipais ou do servizo de alugueiro de bicicletas, todas expiradas. Na súa intervención, Pérez Jácome preguntoulle a Jesús Vázquez "que escusa ten para estes 27 incumprimentos", antes de iniciar unha discusión co rexedor na que o ameazou con denuncialo por prevaricación. O socialista José Ángel Vázquez Barquero apoiou a moción e coincidiu en que hai "numerosos motivos" para pedir a dimisión de Vázquez, aínda que criticou as formas de Democracia Ourensana e a propia escolla do concepto de "procrastinación" que -dixo- moita xente tivera que buscar no dicionario nos últimos días. O popular José Araújo Fernández negouse a debater os puntos expostos na moción e optou por responder cunha parábola sobre un barco varado no deserto na que quixo expresar a desorientación que ao seu xuízo sofre DO. Pola súa banda, Ourense en Común rexeitou participar no pleno extraordinario convocado por Gonzalo Pérez Jácome. Os e as edís de OeC convocaron unha rolda de prensa ante as portas do Concello, cualificando de "circo mediático" a sesión e manifestando a súa "repulsa". "Ourense en Común non é nin oposición nin é goberno, é veciñanza", sinalou Martiño Vázquez, nunha intervención na que tamén criticou os erros e incumprimentos do Goberno municipal, comezando pola non aprobación dos orzamentos. "Hai inacción por parte do Goberno e do Alcalde, claro que si, nós denunciámolo todas as semanas en Xunta de Área, onde non hai cámaras, denunciámolo todos os meses nos plenos, denunciámolo emendando todas as ordenanzas e expedientes", dixo, "pero a inacción do Goberno municipal só é comparable á inacción do principal partido da oposición, unha inacción que está levando ao bloqueo da propia oposición", engadiu. "É inadmisible o gasto público xerado pola sucesión de plenos extraordinarios convocados só para engordar o ego de quen está obsesionado por ser sempre o centro de atención", afirmou tamén en relación a Pérez Jácome. Martiño Vázquez finalizou pedindo a dimisión tanto do Alcalde da cidade coma do líder de Democracia Ourensana. E anunciando a presentación dun "Acordo de Traballo por Ourense" coa participación dos catro grupos, co obxectivo de aprobar antes de 2019 unha renda social muncipal, un proxecto de orzamentos para 2017 e un novo PXOM.
NOS_54390
O presidente da Xunta manifestou en Madrid que non alberga dúbidas de que o Goberno español intervirá naquelas comunidades en que "haxa motivo para iso".
De novo en Madrid e de novo perante os medios de comunicación da capital do Estado. O presidente da Xunta aproveitou a súa escala na 'Villa y Corte' de volta da súa xira por congresos rexionais do PP para facer de voceiro do executivo central e avisar de que este non dubidará en intervir aquelas comunidades autonomas en que "haxa motivo". Declaracións que aproveitou para defender a importancia de cumprir cos obxectivos de déficit. "Hai comunidades autónomas que queren ser nación e se fosen nación estarían intervidas", sostivo preguntado polas que considera que están en peor situación. Durante a súa intervención nos almorzos informativos de Europa Press, Feijóo despachou así a situación económica dalgunhas autonomías, aínda que esquivou citar expresamente algunha e aludiu á súa condición de "gallego" para non facelo. Alén diso, Núñez Feijóo puxo Galiza como exemplo para acadar a recuperación económica e defendeu o Estado das Autonomías, ademáis de culpar o executivo de Rodríguez Zapatero da mala financiación das comunidades.
PRAZA_6381
Galicia é a autonomía na que máis descenderon as inscricións nas oficinas de emprego durante o mes de agosto, se ben nos contratos asinados preponderan a temporalidade e o sector servizos. A Xunta enmarca as cifras na recuperación económica e os sindicatos alertan da precariedade laboral.
Os argumentarios oficiais aséntanse dende hai meses no discurso da "recuperación económica". Nesta liña, o pasado domingo Mariano Rajoy subiu ao atril do seu mitin en Soutomaior para asegurar que "as cousas" van "mellor" que hai un ano e que, dentro de doce meses esas mesmas "cousas" irán aínda mellor. Se nesas "cousas" se inclúe o emprego o certo é que o pasado agosto non foi un mes especialmente bo para o Goberno de España, toda vez que o que vén sendo o seu indicador favorito do mercado laboral -véñeno priorizando sobre a Enquisa de Poboación Activa por ofrecer mellores datos-, o paro rexistrado, indica un incremento de 8.070 inscricións nas oficinas de emprego. En Galicia, no entanto, esta cifra rebaixouse en 3.340 persoas, se ben a letra pequena indica que non todas as baixas implican novos postos de traballo e, ademais, que os novos contratos tenden cara á precariedade. Á espera de coñecer as causas destas 3.340 inscricións nas oficinas de emprego -nelas tamén se inclúen as persoas que non renovaron a súa demanda pero que seguen sen traballo- xa é posible saber as características dos contratos laborais do pasado mes, no que os movementos laborais adoitan estar fortemente vinculados ao sector turístico e ás vacacións. Así, dos 72.033 contratos rexistrados -un 21,36% menos que en xullo e un 11,4% máis que un ano antes- unha amplísima maioría, case 68.000, foron temporais e apenas o 4%, 4.114, foron indefinidos. Unha mostra máis da precariedade e da inseguridade laboral das persoas contratadas é que máis de 30.000 destes contratos foron "eventuais" e ligados á "circunstancias da produción" das empresas, mentres que máis de 24.000 foron contratos de obra ou servizo. A escasa proporción de contratos indefinidos en relación ao conxunto de contratos formalizados non é unha excepción, se ben o seu número é aínda máis cativo que no mes anterior, cando houbo 1.352 indefinidos máis. Con relación a agosto de 2013 o incremento porcentual é significativo, un 11,76%, aínda que, dadas as magnitudes, este aumento tradúcese en 433 contratos indefinidos máis que no anterior agosto. O mes estrela do verán foi, como o pasado ano, o peor no que vai de exercicio para a contratación indefinida no país. O retrato robot do emprego en agosto complétase ao poñer o foco nos sectores que concentraron a contratación. Dese total de 72.000 contratos máis de 57.000 asináronse no sector servizos e, deles, 54.000 foron temporais. O seguinte sector con máis contratos, aínda que a moita distancia dos servizos, é a industria, con pouco máis de 9.000. Aínda máis lonxe está a construción, con 4.000, e a agricultura, con menos de 2.000. Análise da Xunta e dos sindicatos Malia este pano de fondo a Xunta pon o acento en que Galicia é a autonomía na que máis descenderon as inscricións nas oficinas de emprego durante o mes de agosto. Para a directora xeral de emprego, Ana María Díaz, estes datos veñen confirmar "a mellora progresiva no comportamento do paro iniciado dende finais do pasado ano". "Galicia sitúase por riba da media estatal, tanto a nivel mensual como interanual", di a alto cargo da Consellería de Traballo, que tamén pon o foco no incremento da afiliación á Seguridade Social e na contratación. O optimismo do Goberno non é compartido na banda sindical. Para a CIG a "análise da contratación" é a que "axuda a explicar" os datos e "reflicte unha situación laboral realmente preocupante" pola escaseza de contratos indefinidos e a preponderancia do sector servizos. "Os datos do mes de agosto teñen a súa explicación na estacionalidade do emprego e non no feito de que nos atopemos ante un cambio de ciclo", sinala a central nacionalista que, ademais, a través do seu secretario de Emprego, Miguel Malvido, augura que a situación se vai "agravar cando se poña en marca o plan de explotación e emigración da mocidade que vén de aprobar o PP no Congreso". A CIG e CCOO poñen o acento na escasa calidade dos contratos asinados en agosto e na estacionalidade Pola banda de Comisións Obreiras os datos das oficinas de emprego amosan unha "mellora do emprego, si, pero con data de caducidade, á custa dos dereitos e da perda de calidade". Segundo a súa secretaria de Emprego, Maica Bouza, ao actua ritmo serían necesarios "seis anos para reducir o insoportable nivel de paro existente" en Galicia, nun panorama no que a "reforma laboral e a falta de vontade política" están a "conseguir os seus obxectivos: o incremento das desigualdades, a xeralización da pobreza e a volta á emigración". Nun sentido semellante, UGT Galicia pon o acento na estacionalidade e, aínda que "saúda o bo dato de paro rexistrado no mes de agosto", manifesta "unha gran perocupación pola preocupante cifra do número de beneficiarios con prestacións, que segue baixando".
NOS_42558
A superficie afectada polo proxecto dunha empresa madrileña é de 43 quilómetros cadrados, "equivalente a 4.360 campos de fútbol". As asociacións denuncian dificultades no acceso á información.
A compañía española Grupo M-FM 2001, S.L., con sede en Madrid, avanza no seu afán por explotar unha mina de grandes dimensións que ocuparía terreos pertencentes aos concellos de Coristanco, Santa Comba, Vimianzo e Zas, na comarca de Bergantiños. Algo que preocupa a 17 colectivos e entidades sociais e ambientais galegas que veñen de emitir un comunicado amosando a súa preocupación por un proxecto que, afirman, afectaría a unha superficie de 43 quilómetros cadrados, "equivalente a 4.360 campos de fútbol". Estes colectivos denuncian que nos concellos afectados o público "non ten información" necesaria para presentar alegacións e para ver o expediente hai que trasladarse a A Coruña. "E na Sección de Minas da Xefatura Territorial, non dan moitas facilidades para ver os expedientes, e se son solicitados en formato electrónico, adoitan chegar fóra de prazo para alegar." O comunicado advirte á veciñanza que a empresa vai procurar a "licenza social" para a súa actividade mineira, e para iso argumentará creación de postos de traballo e creación de riqueza, así como respeto pola contorna. "Dirán que o ouro correrá polas mans de todas e todos, mais nada diso acontecerá", afirman. Unha vez que teña aprobación definitiva o permiso de investigación mineira, "os concellos xa non van poder facer nada por parar a exploración no seu dominio público". Por iso, estes colectivos instan Ios catro concellos afectados a que "estuden o expediente, o divulguen entre a veciñanza e fagan as oportunas alegacións opoñéndose ao mesmo. Estamos a falar dun entorno humanizado, con valiosos elementos patrimoniais, explotacións agrícolas, gandeiras e forestais". Apoian: A Ría Non Se Vende, A Terra Non Se Vende, Asociación autonómica Cova Crea, Asociación autonómica e ambiental Petón do Lobo, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), ContraMINAcción, Contraminate, Foro Social de Cangas, Galiza Non Se Vende, Greenpeace, O Iribio, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Plataforma veciñal Corno do Monte, Salva la Selva, Sindicato Labrego Galego, Verdegaia, Véspera de Nada, Voces polo Litoral de Teis
NOS_26383
A decisión xudicial converteu Euskadi en 'trending topic' e aporta opcións a outros colectivos do empresariado, como os da propia Galiza. Asociacións galegas recoñecen que é algo "positivo" pero que non solucionaría a forte crise actual.
Euskadi converteuse hoxe nun dos temas do momento (trending topic) na plataforma social Twitter após transcender que a Xustiza do país da a razón ao sector hostaleiro e permite abrir aos locais a pesar do decreto que impuxo o fechamento pola evolución do coronavirus. Moitas foron as persoas que analizaron a situación nas redes, pero vai máis alá de ese foro de debate para implicar un precedente para un sector que se sinte especialmente prexudicado polas decisións das Administracións públicas. Sen ir máis lonxe, as protestas, reivindicacións e peticións de axudas, sumadas ás advertencias de todo o traballo que se vai perder, non cesan na Galiza. Polo tanto, o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi ante un recurso de varias asociacións do empresariado pola obriga de fechar pode levar a idéntica estratexia no país. A sentenza existente decreta a suspensión cautelar da decisión administrativa que obrigou a paralizar a actividade hostaleira no territorio. A Sala do Contencioso Administrativo entende que, con restricións de capacidade e medidas sanitarias, este ámbito de traballo "non parece un elemento de risco certo e grave para a saúde pública". "Relaxación" polo Nadal Na súa petición, as entidades que agrupan ao sector destacaban que non eran culpábeis do aumento dos contaxios, senón que esa rateo ascendente da Covid-19 tiña relación coa "relaxación" das medidas para as datas do Nadal. O fallo xudicial, contra o que cabe recurso, entra en vigor de forma urxente, polo que bares, mesóns e restaurantes poderán abrir de novo mañá. Os negocios manterán, aínda así, moitas limitacións. O punto de vista galego Algunhas asociacións galegas reaccionaron a este fallo cualificándoo de positivo, mais non pensan que abrir mañá solucionase os problemas económicos que arrastran tras meses de fechamentos ou limitacións. Fontes da agrupación Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo) preparan a súa propia estratexia xudicial pero lembran que a lexislación "non é a mesma" en Euskadi e na Galiza e, por iso, o camiño que queren seguir é outro. Falan tanto de demandas individuais como dunha colectiva. Pola súa parte, Lois Lopes, de Hostelería Compostela, lembrou que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) xa tombou un recurso similar ao vasco hai meses.
NOS_21959
As medidas económicas adoptadas polo Goberno español neste estado de alerta teñen o aval de CCOO, mais non contentan autónomas e autónomos. Economistas consultadas por Nós Diario sinalan que son insuficientes e deixan moitas lagoas de como se levarán a cabo na práctica.
As medidas aprobadas polo Goberno español para afrontar a situación de estado de alarma actual semellan insuficientes para algúns sectores e, polo de agora, só contentan no plano sindical organizacións como CCOO e UXT, que hai uns días presentaban un documento no que demandaban flexibilizar os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE). Neste sentido os últimos datos sinalan que, a día de hoxe, 630 empresas presentaron xa un ERTE que afectará a case 5.200 traballadoras e traballadores. "Non se pode concretar a dirección real dos fondos que anunciou o Goberno", explica a economista María do Carme García Negro a Nós Diario. As dúbidas veñen pola incerteza de cales serán as empresas que poderán facer un ERTE e a razón pola que algunhas, como as de automoción, non asuman parte dos custos. "Tampouco sabemos cal vai ser o papel da banca nin se sabe cal vai ser a presión fiscal que farán para poder levar a cabo esas medidas", engade. Outro economista, Edelmiro López, coincide en que primeiro "hai que atallar a situación de emerxencia na saúde pública mesmo paralizando toda a actividade económica". Pensa que as medidas do Goberno procuran "o acceso ao desemprego para os que queden nesta situación", mais quedan curtas se non se toman outras nos vindeiros días. Autónomas e autónomos atópanse abandonadas "Sentímonos completamente abandonados" asegura a Nós Diario o presidente da Asociación de Autónomas e Autónomos da Galiza, Rafael Granados. Este colectivo amosa a súa decepción coas medidas aprobadas polo Goberno español, e sinalan que a prestación por cese de actividade "xa estaba aprobada". Esta entidade está a recibir nas últimas horas moitas consultas pola dificultade que terán ámbitos como o da hostalaría ou o transporte en xustificar que a súa actividade caeu 75% de media nos seis meses anteriores. "A maior parte paga por módulos, non levan libro contábel e non poderán demostralo e, polo tanto, non poderán acceder ao cese de actividade", explica Granados. Analistas consultadas por este xornal aseguran que a diferenza da crise de 2008 na que a prexudicada era a asalariada e a autónoma se autoexplotaba, agora este sector non terá ingresos e si pagamentos que deberá facer de todas as maneiras. As medidas relacionadas co peche de actividade tamén son polémicas pola posibilidade de que continúen abertas grandes empresas cun cadro de persoal amplo e o pequeno comercio teña que pechar. Por último, esta situación actual poderá ter consecuencias aínda máis complicadas por un maior acceso da poboación ás compras por internet que, unha vez superada esta pandemia, poderían optar por continuar a empregar en detrimento do pequeno comercio. UXT e CCOO, satisfeitos coas medidas A CIG expresou a súa disconformidade onte mais desde UXT e CCOO na Galiza consideran que as medidas aprobadas van na boa dirección. Para estas organizacións, a prioridade neste momento é frear o virus e que se recuperen as persoas afectadas e, no laboral, evitar despedimentos e garantir rendas. UXT Galiza remite a súa valoración ao expresado polos dous sindicatos en Madrid. Sinalan que o Real Decreto responde ás propostas consensuadas entre estas organizacións e a patronal. CCOO Galiza, polo seu lado, explica a Nós Diario que o Goberno "tomou nota de que cómpre manter o emprego e que hai que tomar medidas para preservar a actividade económica". Neste sentido, valoran positivamente "o volume de recursos mobilizados polo Goberno porque será a forma de recuperar a actividade económica".
NOS_42776
Na actualidade están xurdindo moitos libros e proxectos editoriais que teñen as lectoras e lectores infantís e xuvenís como protagonistas. A literatura comprometida debe conseguir novas lectoras e, ao mesmo tempo, provocar reflexións que xeren debates e impulsen mudanzas sociais
" Os contos s e r v e n para que os nenos e nenas liberen os seus medos inconscientes, imposíbeis de racionalizar: medo a seren abandonados polos seus pais (medo a perdelos), medo a medrar, medo á morte... Os contos, ben escollidos e ben contados, axudan a vivir". Así expresa a súa opinión o crítico literario Miguel Vázquez Freire no libro Da Carapuchiña ao señor Lamote. Clásicos da literatura para a infancia e a mocidade en lingua galega, publicado por Xerais, e no que recompila textos de reflexión sobre este tema que xa apareceran con anterioridade na Revista Galega de Educación entre o 2006 e o 2018. Esta cita sérvenos para xerar un debate que se está dando moito na actualidade e que ten que ver coa necesidade de iniciar á cativada na lectura. Como facelo? Cales son os mellores libros? Existen técnicas que garantan o éxito? Como incentivar sen obrigar? Esas son as principais preguntas das mestras e das persoas que coordinan as bibliotecas escolares, unha preocupación que está tamén no xerme de moitas iniciativas editoriais que se dirixen ao público máis novo, e que teñen dúas características principais: dunha banda, conteñen a maxia e a aventura propia das grandes historias; e doutra, agochan unha mensaxe que non pasará desapercibida e que servirá para reflexionar sobre cuestións de actualidade. Velaí algúns libros que abondan neste concepto. Os Premios Xerais Os Premios Xerais, concretamente o Merlín de Literatura Infantil e o Jules Verne de Xuvenil, sempre teñen moi en conta este duplo obxectivo, e por iso as gañadoras deste ano trazan dúas propostas que agochan un compromiso social. Rosa Aneiros, galardoada co Merlín por Xelís, o guieiro das botellas de mar, conta a aventura dun neno que ten unha discapacidade e que debe emprender a dura tarefa de atrapar unha illa de plásticos para impedir unha desfeita ecolóxica. A autora pensa un universo que xa non é futuro, senón que se atopa no presente e invita as lectoras e lectores a actuar. Coa mesma idea de fondo xermola Os corpos invisibles, obra coa que Emma Pedreira se fixo co Jules Verne de Literatura Xuvenil e que recupera as voces de tantas mulleres silenciadas na época vitoriana. A través da contraposición das vidas de dúas mulleres ben diferentes, a coruñesa reivindica a liberdade e o recoñecemento que sempre se lles negou ás mulleres. Unha proposta do máis acaída e atractiva para traballar a igualdade nas aulas. Be water Unha distopía moi real. Así se define Be water, o libro xuvenil que vén de publicar Antía Yáñez coa recentemente creada editorial Cuarto de inverno, e na que leva as lectoras a pensar sobre o valor da auga nun mundo no que cada vez escasea máis. Ao mesmo tempo, e como é habitual na narrativa da escritora de Senlleiras, a historia contén personaxes que reflexionan (e fannos reflexionar) sobre a maternidade e outros temas con perspectiva de xénero. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.
PRAZA_7673
Este mércores estrea o seu segundo episodio un programa, no que os concursantes debaterán de política e mesmo darán a súa opinión sobre a monarquía
O Gran Compadre, autonomeado "o primeiro reality show galego", botou a andar hai 15 días. Dende entón suma máis de sete mil espectadores, sendo Ourense, Compostela, Vigo, A Coruña, Madrid e Barcelona as cidades nas que, en termos absolutos, máis se seguiu o reality. O programa tamén ten unha notable actividade nas redes sociais, tanto en Facebook, coma en Twitter e tamén en Cabozo, a rede social galega. Tamén xurdiron os primeiros clubes de fans de algúns dos concursantes. Este mércores estrearase na súa web o segundo episodio do programa e nesta segunda entrega a política será protagonista. Moncho pediralle a Alberto – o indignado – que organice unha asamblea para solucionar os problemas da cociña. Haberá tamén un debate entre unha independentista, un nacionalista que posúe o récord de aportacións á galipedia e Alberto, que leva dende que se levantou o campamento indignado do Obelisco da Coruña acampado fronte a casa "burguesa" de seus pais. Ademais, Silvana revelará no confesionario unha parte escura do pasado de Marta, a soberanista galega chegada de Carabanchel. Lorena, pola súa banda, se verá todo o tempo contrariada por Moncho, quen, como revelará en confianza, non aguanta nin ós hippies, nin ós ecoloxistas, nin ós portugueses. Finalmente, o programa pediralles aos concursantes que dean a súa opinión sobre a monarquía española. E ti, xa segues O Gran Compadre? Quen é o teu favorito ou favorita?
NOS_45424
A nacionalista quere saber se a Comisión europea está a financiar métodos alternativos de experimentación en que non se usen seres vivos, para alén da elaboración de novas normativas que vaian na liña de reducir progresivamente a investigación con animais
A eurodeputada do BNG Ana Miranda vén de preguntar en Bruxelas pola experimentación con animais na Galiza. No concreto, e perante os catro laboratorios que no noso país aínda fan probas con primates, a nacionalista quere saber se a Comisión europea ten coñecemento de cantos seres vivos son destinados a ensaios na Galiza, se informou ao estado español sobre as implicacións deste uso dos animais e se apoia ou financia algún outro método que substitúa os animais na ciencia. Así as cousas, aproveitou Miranda o debate aceso que no seo da UE esperta o sufrimento dos animais e a necesaria substitución dos seres vivos por métodos máis responsábeis --en moitos casos os experimentos feitos con primates rebeláronse como repetitivos e inútis, e preguntou tamén se a Comisión ten previsto impulsar ou desenvolver novas medidas con rango de lei ao redor do uso de animais na experimentación. No seu escrito, a nacionalista referiuse á polémica acontecida en Colombia, onde un prestixioso científico foi obrigado a pechar o seu laboratorio após traficar con primates de pequeno tamaño. Ao entender de Ana Miranda, este caso "evidencia a necesidade de seguir observando sobre unha industria que busca o lucro por riba de todo", polo que pide que Galiza tamén resulte beneficiada no apoio a métodos alternativos de investigación en que non se usen seres vivos. A Xunta financia o centro de experimentación de Lugo Case tres millóns e medio de euros é a inversión --na súa meirande parte pública-- destinada á creación dun centro de experimentación animal no campus universitario de Lugo. Segundo explicou no seu momento o titular da consellaría de Educación, Jesús Vázquez, nas instalacións fanse probas con seres vivos "medianos e grandes" e convertirá Galiza "nun foco de atracción para industrias farmacéuticas". O centro foi construído nas naves docentes que antes se dedicaban a gando vacún e equino no hospital veterinario universitario Rof Codina, da fundación do mesmo nome e que preside o propio Vázquez.
PRAZA_20362
No ano 2016 houbo só 2.250 matrimonios católicos en Galicia, fronte a 6.879 exclusivamente civís. O descenso nos últimos 15 anos foi vertixinoso: no ano 2000 houbo aínda 9.279 vodas confesionais.
"Pasar pola vigairía", "Chegar ao altar"... O imaxinario e a linguaxe das vodas aínda remiten ás igrexas e aos matrimonios confesionais. Porén, a realidade e a práctica van xa por un camiño ben distinto. No ano 2016, segundo os datos publicados polo INE o pasado xoves, menos de unha de cada catro vodas celebradas en Galicia foron católicas (24%), sendo exclusivamente civís o 74%. O cambio social nesta cuestión foi moi rápido. Hai apenas 15 anos, xa en pleno século XXI, a proporción era inversa e o 77% das vodas tamén pasaban nalgún momento por unha igrexa para confirmar a unión ante un crego. Porén, o número de novos matrimonios católicos foi descendendo dende os 9.279 do ano 2000, ata os 2.250 que se rexitraron o pasado ano. Comparada Galicia con outras comunidades autónomas, sitúase entre os territorios nos que os matrimonios católicos perderon máis terreo, por debaixo dos valores medios para o Estado español (27%). En 1996 a proporción de matrimonios católicos e doutras crenzas era maior en Galicia (80%) que no conxunto do Estado, onde representaban o 77%. No norte, sobre todo en Cataluña (14%) e Euskadi (18%), as vodas pola Igrexa comezan a ser marxinais, mentres que os matrimonios católicos conservan certa forza no sur, sobre todo en Estremadura (43%), Castela-A Mancha (39%), Andalucía (38%) e Murcia (37%).
NOS_31932
A portavoz nacionalista criticou as persoas candidatas das forzas estatais que veñen a Galiza en eleccións para facer "turismo electoral".
No seu día Xabier Arzalluz alcumáraos como "paracaidistas". O histórico dirixente do PNV recentemente falecido bautizara con ese cualificativo os líderes das forzas estatais que en época electoral caían por Euskadi a pedir o voto. Un alcume que triunfou na terminoloxía política e que a portavoz do BNG, Ana Pontón, sacou este sábado en Lugo no ato da formación nacionalista na cidade. "Veñen facer turismo electoral e non se molestan en facer propostas para resolver os problemas que temos no país nin cando veñen aquí", denunciou, tras criticar que o gran tema de campaña electoral nestes días sexa o debate a cinco entre os líderes das formacións españolas. Tirando de ironía, Pontón fixo un prognostico: "Non sei se apostar o meu coche porque estou segura que non o vou perder: Que nese debate no que participará a colección de machos alfa da política estatal, nin Pedro, nin Pablo, nin o outro Pablo, nin Rivera, nin o reconquistador van dedicar nin un só minuto a falar de Galiza. So queren o botín dos votos". Pontón lembrou que o BNG propuxo un debate con Feixoo e o resto das forzas galegas na TVG en horario de máxima audiencia para garantir que os temas que afectan a Galiza poidesen ser debatidos. A portavoz nacionalista aproveitou o mitin central en Lugo para pedir o voto para un BNG "en remontada" e ser decisivo na política do Estado nun escenario sen maiorías absolutas.
NOS_14395
É "extremadamente improbábel" que saíse dun laboratorio, apuntan.
O equipo de expertos da Organización Mundial da Saúde (OMS) destinado na China para investigar as orixes do SARS-CoV-2 concluíu que é de orixe animal, aínda que non se puido demostrar exactamente cal, e que "non hai evidencia" de transmisión antes da súa detección en decembro de 2019 en Wuhan. O equipo chegou o 14 de xaneiro a esta cidade, considerada como epicentro da pandemia, e despois de dúas semanas de corentena visitou o mercado maiorista de mariscos de Huanan, onde se produciu o primeiro grupo de infeccións coñecido, e o Instituto de Viroloxía de Wuhan, onde se investiga con varios tipos de coronavirus. Segundo as súas conclusións, presentadas esta terza feira ante os medios desde Wuhan, aínda non é posíbel determinar como se introduciu o virus da Covid-19 no mercado de Huanan, mais aseguraron que estaba xa a circular por outros puntos da cidade nesas datas. En calquera caso, os expertos rexeitaron que se estivese propagando pola localidade chinesa antes de finais de 2019. "Estendeuse entre a xente que estaba, vivía, traballaba e visitaba o mercado de Huanan durante todo o mes de decembro. Aínda se descoñece como se introduciu e se propagou dentro do mercado [...] Sabemos que tamén houbo propagación entre os individuos que non estaban vinculados a este mercado. Así que o panorama non está claro nese sentido", explicou Peter Ben Embarek, especialista en Seguridade Alimentaria e Enfermidades Animais da OMS e presidente do equipo de investigación en Wuhan. Varias hipóteses O experto recoñeceu que a misión non trouxo conclusións disruptivas, mais puntualizou que se engadiran "detalles cruciais" a esta explicación. "Non atopamos probas de grandes surtos que se puidesen vincular antes do 19 de decembro en Wuhan ou noutros lugares. Tamén podemos estar de acordo en que atopamos unha circulación máis ampla do virus en Wuhan en decembro, non só limitada ao mercado de Huanan", estableceu. A OMS baralla varias hipóteses, dixo: o salto directo dun animal a un humano; salto do morcego e a través de especies animais intermediarias, máis próximas aos humanos; ou por vía de produtos conxelados, hipótese que defende o Goberno da China para suxerir que o virus puido ser importado desde outras zonas do mundo. O que si que desbota é que saíse dun laboratorio: "É extremadamente improbábel que explique a introdución do virus na poboación humana e, xa que logo, non é unha hipótese que implique futuros estudos para apoiar o noso traballo de comprensión da orixe do virus", detallou Embarek.
NOS_4809
"Vimos unha estrela: O ciclo do Nadal na Música Galega" é o título co que o Grupo de Música Antiga 1500 recibe as festas en Compostela. Da anunciación ate a visita dos Reis Magos a través dos cancioneiros do século XVI ás cantigas de Alfonso X. Sermos Galiza sortea seis entradas para o concerto entre as persoas que merqueno número 78 na súa loxa.
Un concerto singular nun espazo singular. O Grupo de Música Antiga 1500 preparou para o inicio das festas un concerto que percorrerá diversas composicións dos cancioneiros do século XVI ás cantigas de Santa María de Afonso X, O Sabio nun auditorio excepcional, a igrexa do colexio da Compañía de María- Ensinanza de Compostela. Será o sábado 21 ás 20.00 horas. "Vimos unha estrela. O ciclo do Nadal na Música Galega" percorrerá a festa cíclica desde a anunciación até a visita dos Reis Magos, ofrecendo distintas composicións creadas arredor do Nadal. O programa estará composto por pezas dos cancioneiros do século XVI ademais das cantigas do Rei Afonso X. Réplicas de instrumentos Fídulas, frautas, chorimicas, baixóns, sacabuxas ou arpas tomarán parte dun espectáculo no que se tocarán réplicas de instrumentos da época nun escenario pouco empregado para iniciativas musicais como é a capela do colexio da Ensinanza en Santiago, un edificio que s comezou a construír en 1760 co deseño de Clemente Fernández Sarela. O Grupo 1500 leva desde o ano 2005 recuperando a música antiga a través da interpretación vocal e instrumental. Nos seus concertos tratan de achegarse con rigor histórico e conceptual á música antiga que forma parte dun repertorio no que botan man de instrumentos medievais e renacentistas. Canda concertos, na súa traxectoria desenvolveron tamén proxectos como creacións de bandas sonoras para documentais e películas, obradoiros ou concertos didácticos. María Giménez, voz e percusión, Belén Bermejo, voz e arpa, José Ignacio Castro, sacabuxa e frautas de bico, Víctor Blanco, guitarra barroca, guitarra renacentista e arpa, Roberto Santamarina, fídula e o director Andrés Díaz con frautas de bico, chirimía, baixón, vihuela e guitarra renacentista compoñen Grupo de Música Antiga 1500. Entradas xa á venda As entradas para o concerto teñen un prezo de 7 euros e pódense adquirir en vendaanticipada no espazo enocultural VIDE, VIDE! na rúa da Fonte do Santo Antonio, nº 10,de Compostela. Tamén se poderán mercar día do concerto, na billeteira, a partir das 18.00 h ou facer reservas a través do enderezo electrónico [email protected]. Sermos Galiza sortea seis entradas para o concerto entre as persoas que merqueno número 78 na súa loxa que etará disponíbel a partir da noite da cuarta feira, día 18.
NOS_57133
Telesur fala dunha diferenza do vinte por cento a prol do actual presidente.
Existe unha grande diferenza entre a intención de voto no presidente de Venezuela, Hugo Chávez, e no candidato da oposición, Henrique Capriles, que aumentou o 19 por cento a favor do actual mandatario, segundo o inquérito publicado pola Axencia de Noticias Venezolana. O 53 por cento dos enquisados votaría a Chávez se as eleccións presidenciais fosen xa, mentres que un 34 por cento apostaría por Cabriles. Telesur, que tamén participou no inquérito, destaca que o 66 por cento dos votantes aproba a xestión de Chávez nos trece anos que leva no Goberno. Así as cousas, case seis de cada dez venezolanos considera que Chávez coñece con maior precisión os problemas do país. Nesta mesma proporción, os enquisados prefiren as alternativas políticas e os principios morais do líder bolivariano.
PRAZA_13269
O certo, é que nesta cuestión ninguén quere falar claro. Dicir que a orixe da crise demográfica actual está na intensidade que hoxe ten a emigración. Ou sendo un auténtico radical, nas causas que hoxe están a xerar esa emigración.
Permítanme a cita. Dicía Karl Marx que ser radical é ir á raíz das cousas. Algo que ninguén fai ó falar da actual crise demográfica galega. Ser radical é ir á raíz das cousas. Algo que ninguén fai ó falar da actual crise demográfica galega Segundo os nosos políticos e tertulianos, os culpables son os vellos, por vivir máis anos dos que lles toca. Logo as mulleres, por non querer ter os fillos que deberan (¡¿?!), e despois os mozos, por escoller o camiño da emigración. Estes últimos ademais son dobremente culpables. Por renunciar a ter fillos no país e por desprezar o futuro que este lles ofrece: paro e subemprego crónico. Non en van, a metade dos contratos asinados hoxe en Galicia o son para traballar en bares, no comercio ou en empregos sen cualificación profesional algunha. A lonxevidade e a baixa fecundidade non son de por si causa de declive demográfico, senón que llo pregunten a Francia Mais, nin vivir máis anos nin ter menos fillos está na orixe da actual crise demográfica. Historicamente Galicia sempre tivo unha poboación máis avellentada e as súas mulleres sempre tiveron menos fillos que as do resto do Estado. Neste último caso debido a que a xente casaba tarde e a que a mortalidade infantil era baixa. Malia isto, a poboación galega medrou no tempo. A lonxevidade e a baixa fecundidade non son de por si causa de declive demográfico, senón que llo pregunten a Francia. O certo, é que nesta cuestión ninguén quere falar claro. Dicir que a orixe da crise demográfica actual está na intensidade que hoxe ten a emigración. Ou sendo un auténtico radical, nas causas que hoxe están a xerar esa emigración. A orixe da crise demográfica actual está na intensidade que hoxe ten a emigración É curioso que para poñerlle couto aínda non se teña elaborado un "Plan de Freada Emigratoria" ou algo así. Facelo sería perigoso. A comisión de expertos que tería que informar ó Parlamento debería determinar se os investimentos feitos nestes últimos 25 anos cos cartos da Unión Europea no Xacobeo, nos aeroportos, nos mal chamados "parques industriais", nos portos exteriores, na Cidade da Cultura, nos paseos marítimos ou nas casas da opera, foron quen de crear un tecido produtivo de calidade e de futuro. Un tecido como polo que traballou no seu día o tan celebrado Paz Andrade. Consecuentemente, a comisión tería que ditaminar se eses investimentos serviron ou non para xerar ese benestar que, sen dúbida, tería estimulado a natalidade, evitado a emigración e minimizado os efectos do avellentamento. É evidente que non foi así, visto que o avellentamento considerase un problema, da emigración non se fala e UNICEF acaba de constatar que os estándares de vida dun terzo dos nenos galegos sitúanse por debaixo do limiar da pobreza. O Parlamento debería determinar se os investimentos feitos nestes últimos 25 anos cos cartos da Unión Europea no Xacobeo, nos aeroportos, nos mal chamados "parques industriais" foron quen de crear un tecido produtivo de calidade e de futuro Dito isto, propor desde a Xunta como remedio á crise demográfica axudas á natalidade ou ás familias dos que aínda non emigraron, ou ben a aquelas que non van a facelo nunca, é atacar os síntomas e non a raíz dun mal que segue, e seguirá, consumindo o alento vital e o capital humano de Galicia. E non só iso, senón que é tratar de poñerlle remedio con medidas ideolóxicas que buscan potenciar a familia tradicional e amosar que o rol "natural" das mulleres é ser nais na casa. En definitiva, medidas que non solucionarán nada e cuxa posta en práctica é unha verdadeira perda de tempo e cartos, amén de fume cara a galería.
NOS_28709
A CIG exixe a readmisión da traballadora na empresa ADM. A operaria xa fora despedida durante un embarazo anterior e a firma tivo que readmitila obrigada pola xustiza.
A CIG denuncia o despedimento dunha traballadora da empresa de telecomunicacións e informática ADM, que traballa para MOVISTAR en Compostela, "como represalia por teren exixido que se respectaran os seus dereitos como nai". Esta persoa, afirma a central nacionalista, xa fora despedida durante o seu primeiro embarazo e a empresa tivo que readmitila obrigada por unha sentenza xudicial. "Unha vez reincorporada solicitou redución de xornada para poder conciliar o traballo co coidado da crianza". A CIG-Servizos de Compostela denuncia que a partir de aí viviu "unha constante presión por parte da empresa que lle modificou o horario ilegalmente, o que a levou a presentar unha nova demanda contra ADM. "Foi outra sentenza xudicial a que obrigou de novo á empresa a respectar o dereito da traballadora". Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos, sinala que durante ese período a empresa mesmo chegou a eliminar o acceso a internet desde o seu ordenador, ni acceso a albaráns para realizar o seu traballo e mesmo foi a única que non recibiu a típica cesta de Nadal. "Rancio machismo" Malia eses precedentes, a empresa volveuna despedir ao reincorporarse tras dunha nova baixa por maternidade pechando a tenda na que realizaba as súas tarefas. Porén, Alonso considera que isto non xustifica o despedimento porque a traballadora podería ser readmitida en calquera das tendas que esta empresa ten en Compostela. A CIG-Servizos denuncia o machismo "máis rancio e propio da idade media que impera nesta empresa".
NOS_9433
Nacionalista. Así define o portavoz de Ciudadanos no Congreso a Alberto Núñez Feixoo, a quen acusa de discriminar o español fronte ao galego.
Máis unha vez Ciudadanos, afanado en marcar distancias co Partido Popular e recadar máis apoio, amosa o descoñecemento da realidade da Galiza. O seu portavoz no Congreso e candidato por Toledo, Juan Carlos Girauta, afirmou que Feixoo "discrimina o castelán como un nacionalista". Unha das voces máis autorizadas do partido de Albert Rivera puxo de manifesto nas súas redes sociais que o presidente da Xunta "fala como un nacionalista, discrimina o castelán como un nacionalista, ningunha Ciudadanos como un nacionalista, ten amizades perigosas como un nacionalista, e goberna como un nacionalista". O partido laranxa promove a eliminación do que considera "requirimento excluínte" do coñecemento das linguas das nacións sen Estado para acceder a un posto de traballo na administración pública."Ciudadanos vai ser a garantía de que o español sexa a lingua vehicular [no ensino] e que a ningún funcionario se lle esixa unha lingua cooficial para traballar", afirmou recentemente nun mitin a deputada no Parlament e candidata ao Congreso Inés Arrimadas. Na mesma liña, o actor Toni Cantó, deputado de Ciudadanos no Congreso, salientara en setembro de 2018 que "é un feito que o castelán desapareceu na Galiza". A opinión de Cantó foi fortemente contestada. A Semente chegou a retalo para atopar nas escolas infantís de Ferrol 100 nenas e nenos galegofalantes. "Se nom as atopas demitirás por mentir e donarás o teu salário ao projeto Semente. Aceitas?". Nada se soubo do convite da Semente.
NOS_47003
Unicef publica un informe sobre a creación de contornas saudábeis para a infancia nos países da UE e mais da OCDE, que malia representar só 18% da poboación global consomen máis da metade dos recursos do planeta. Aliás, se todo o mundo consumise ao ritmo do Estado español precisaríanse 2,5 Terras.
Se todos os habitantes da Terra consumisen os recursos ao mesmo ritmo ao que o fan actualmente os 27 estados membro da Unión Europea (UE) e mais os 38 que integran a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) —20 deles adheridos tamén á UE—, precisaríanse 3,3 planetas para manter eses niveis de consumo. Isto a pesar de que UE e OCDE abranguen perto de 1.400 millóns de habitantes dos máis de 7.700 millóns que hai actualmente no mundo (18,1%). Polo tanto, 18% da poboación está a consumir actualmente perto de 60% dos recursos da Terra. Esa é a advertencia que lanzou Unicef esta terza feira, a través do informe Report Card 17: Lugares e Espazos, que compara a situación destes países en relación coa creación de contornas saudábeis para a infancia. Así, analiza indicadores como a exposición a contaminantes nocivos, o ar tóxico, os praguicidas, a humidade, o acceso á luz, os espazos verdes, as estradas seguras, o consumo de recursos, a vertedura de residuos electrónicos e as súas achegas á crise climática. Cambio climático: temperaturas de até 54,4ºC en 2021 Lideran a clasificación o Estado español, Portugal e Irlanda, se ben, advirte Unicef, "ningún país da OCDE ou da UE logra proporcionar este tipo de contornas para todas as nenas e nenos en todos os indicadores". No extremo oposto, os Estados Unidos, Costa Rica e Romanía son os que, dentro desta relación de países, ofrecen un menor nivel de benestar infantil no que atinxe ao eido ambiental. De feito, se serían precisos, como se citou anteriormente, 3,3 planetas para universalizar o nivel de consumo dos países da UE e da OCDE, farían falla até 5 para seguir o ritmo só dos Estados Unidos, Canadá e Luxemburgo, que suman arredor de 371 millóns de habitantes (menos de 5% da poboación global). No caso de marcar o Estado español o ritmo de consumo na Terra, precisaríanse 2,5 planetas. "A meirande parte dos países ricos non só non están a proporcionar contornas saudábeis para as crianzas dentro das súas fronteiras, senón que tamén contribúen á destrución das contornas da infancia noutras partes do mundo", apuntou Gunilla Olsson, directora da Oficina de Investigación Innocenti de Unicef. As consecuencias do quecemento serán máis graves e antes do esperado Consecuencias para a saúde Os altos niveis de polución nos países estudados provocan graves consecuencias para as persoas máis novas. Así, o informe constata que até 20 millóns de nenos e nenas residentes na UE ou nun estado membro da OCDE presentan "elevados niveis" de chumbo en sangue. A contaminación do ar ten tamén un efecto altamente nocivo sobre a saúde. Unicef advirte que "moitas crianzas respiran ar tóxico tanto fóra como dentro das súas casas", o que leva en países como Colombia ou México a perder, de media, até 3,7 anos de esperanza de vida. No Estado español e Portugal serían pouco máis de dous meses. O quecemento climático destrozará a economía de 65 Estados ao ritmo actual No que atinxe á pobreza enerxética, os datos da entidade reflicten que unha de cada cinco (21,5%) vivendas con crianzas en situación de pobreza ten no Estado español moitas dificultades para manter quente o fogar, un rexistro que fica en 7,7% no conxunto dos fogares do Estado, un dos peores rexistros da UE, só por diante de Romanía, Italia, Portugal, Grecia, Lituania, Chipre e Bulgaria.
NOS_38541
Nace con vocación de cinema rural. O Festival Internacional de Cinema Carlos Velo desenvolverase en Celanova e Cartelle -o lugar de nacemento do cineasta- entre os días 20 e 21 de xuño. Mentres Cans acelera o ritmo de organización e Vedra acaba de celebrar o LAV14 da Asociación Senunpeso, o novo evento fai virar o dinamismo do audiovisual aínda máis cara o rural.
Lareira Pop e Arraianos son as entidades organizadoras do Festival Internacional de Cinema Carlos Velo que nace con vontade de se centrar no "cinema rural". Terá lugar o 20 e 21 de xuño en Celanova e Cartelle, lugar de nacemento de Carlos Velo, unha das figuras centrais da historia do cinema tanto en Galiza como no México do seu exilio. O obxectivo do festival é abrir un "espazo para a divulgación e exhibición de curtametraxes documentais e de ficción, cunha temática relacionada co medio rural e coa recuperación da memoria material e inmaterial dos pobos do mundo". Busca tamén converterse en lugar de encontro de profesionais do sector e espazo de debate arredor do mundo rural. Un cineasta de aldea O Festival homenaxeará e promoverá a figura de Carlos Velo así como a "creación e o desenvolvemento de proxectos artísticos, sociais, culturais, económicos e obras audiovisuais que existen arredor do medio rural e do seu futuro". O Carlos Velo súmase a dous encontros que están a contribuír a que o mundo audiovisual vire para o rural, onde nacen iniciativas participativas e creadas do asociacionismo que están a ter unha singular relevancia no panorama do sector. O Festival de Cans, que terá lugar do 21 ao 24 de maio, apura neste momento as últimas datas para a presentación de curtametraxes mentres inventa novas maneiras de financiamento do festival máis xenuíno dos celebrados no país co patrocinio dos seus "jalpóns". Mentres, en Vedra acaban de desenvolver a fin de semana pasada unha nova edición dos seus LAV, os Laboratorio Audiovisual de Vedra organizado pola Asociación Senunpeso que pendurou o cartel de "completo" na maior parte dos seus obradoiros.
NOS_2161
A coalición mantivo un encontro con varios colectivos de defensa dos dereitos dos animais en que recolleron as súas propostas.
Membros de Alternativa Galega de Esquerda mantiveron un encontro na Coruña con representantes de diversas organizacións animalistas. Na xuntanza transmitíronlle a AGE propostas en defensa dos animais, entre as que salienta o desenvolvemento dunha nova Lei de protección animal, que entre outros "vete a utilización de animais salvaxes para espectáculos". O coordinador comarcal de EU Coruña, César Santiso, recolleu as propostas formuladas por Libera, Fondation Franz Weber e Galicia Mellor Sen Touradas, serán asumidas para a súa incoporaración no programa de AGE.
PRAZA_6427
Hai algo no que non abondan os políticos e os medios de comunicación españois, España está a retratarse ante o mundo con este asunto. Ao ver esa multitude pacífica que demanda algo e o Estado non escoita, que imaxe queda de España?
Escribo isto e non coñezo cantas persoas van participar na construción dese 'V' da Diada catalá, ignoro se mantén a participación do ano pasado, se retrocedeu ou se aumentou, pero si creo que vai ser unha xornada importante na política española. E si que importa o tamaño, o número de asistentes é decisivo para as dúas posturas enfrontadas. Quen combaten esta Diada tentarán quitar importancia á demanda do que, en calquera caso, parece que vai ser unha enorme cantidade de xente. Quítanlle importancia á demanda e néganlle atención e respecto a esas persoas. Para que ese relato funcionase, era necesario redondealo coa descualificación moral: ademais, os nacionalistas cataláns son corruptos e o que queren é quedar sós para entregarse á corrupción. E, para demostralo, emerxe oportunamente o caso Pujol. Todos os gobernos souberon deses manexos pero, tras tantos anos, apareceu un mes antes desta Diada e tres meses antes do día fixado para a consulta. Quen acepte esa interpretación ignora ou nega que o preito catalán é un preito, é un proceso colectivo que vive a sociedade catalá como un suxeito colectivo. E para esa parte central da cidadanía, a Diada de hoxe tamén é decisiva, porque ademais de implicarse cívica e politicamente está implicada animicamente. Esa parte maioritaria e central dos cataláns vén actuando como un suxeito, probablemente a Asemblea Nacional Catalá sexa a que mellor o expresa, e ese suxeito está afectado animicamente. Viviu nos últimos tempos situacións que lle resultaron humillantes, sentiuse rexeitado e negado. Está profundamente desgustado cos seus opoñentes e tamén, agora, consigo mesmo. A actuación do Estado, tanto a través das Cortes, o Goberno como a través dos tribunais, foi moi clara. O Estado dilles: "Non deixamos que sexades o que queredes ser aquí dentro. E non podedes marchar, non vos deixamos". O Estado dilles: "Non deixamos que sexades o que queredes ser aquí dentro. E non podedes marchar, non vos deixamos". Non digo aquí se ten máis ou menos razón unha parte ou a outra, pero digo que a quen lle fala o Estado non é a Mas e a Junqueras, senón a millóns de cidadáns. Basta facer memoria do últimos tres anos, buscar nas hemerotecas, para comprobar que Mas foi obrigado pola sociedade a emprender un camiño inesperado e que Junqueras só interpreta ao seu modo as emocións e uns desexos da xente que se han ir endurecendo. Trátase desas multitudes e de millóns de cidadáns que agora queren votar e unha boa parte ocupa as rúas nunha exhibición de organización e civismo. Hai algo no que non abondan os políticos e os medios de comunicación españois, España está a retratarse ante o mundo con este asunto. Ao ver esa multitude pacífica que demanda algo e o Estado non escoita, que imaxe queda de España? O caso Pujol sen dúbida enfadou a moitos españois pero, ademais, enfadou e perturbou en Catalunya, iso notarase esta Diada, sen dúbida, porque afectou o ánimo cada vez máis confundido de moitos cataláns. O Goberno, e con el o PSOE e o Estado completo, fía todo a que os cataláns se estrelen nun muro, fían a que esa multitude tropece e desfaleza, volva cada un ás súas casas derrotados. Pero é unha verdadeira marea cidadá, formada polos sectores máis implicados nos asuntos sociais, con máis sentido comunitario e máis decisión. En suma, a parte máis madura e o centro de calquera sociedade. Se se lle parte o espiñazo, como pretenden, a sociedade catalá estará aniquilada para moito tempo. Poida que o Goberno consiga que se estrelen contra o muro pero iso non cambiará a percepción que teñen eses cataláns sobre o Estado español, máis ben reforzaraa. Realmente a situación desa cidadanía é desesperada, agora non pode tirar a toalla sen quedar destruída. Pero enfróntase a unha estratexia gobernamental politicamente homicida. Hai algo no que non abondan os políticos e os medios de comunicación españois, España está a retratarse ante o mundo con este asunto. Ao ver esa multitude pacífica que demanda algo e o Estado non escoita, que imaxe queda de España?
PRAZA_19438
A Consellería formula unha OPE cun total de 1.043 prazas pero chama a "esperar" polos movementos políticos en Madrid para convocala. Os sindicatos censuran o uso do persoal opositor como "arma política" e ven "insuficientes" os postos ofrecidos TÁBOA INTERACTIVA | Oferta de Emprego Público da Consellería de Educación 2017
TÁBOA INTERACTIVA | Oferta de Emprego Público da Consellería de Educación 2017 Máis información e a mesma incerteza. A Consellería de Educación puxo número este xoves á súa oferta de emprego público para 2017 na Mesa Sectorial que xunta a Administración cos sindicatos educativos. O Goberno galego ten en marcha os trámites para ofrecer un total de 1.043 prazas para o ensino público, 912 delas de novo ingreso e as restantes, de promoción interna. Pero a certeza dos números esvae ao falar de se estas prazas serán ou non efectivamente convocadas. O director xeral de Centros, José Manuel Pinal, multiplica as chamadas á "espera" e condiciona a convocatoria, como veñen facendo diversos cargos do PP nas últimas semanas, á negociación dos Orzamentos Xerais do Estado para 2017. Non facelo, afirma, implicaría activar as oposicións sen "seguridade xurídica". O feito de que a Administración explique "de momento" habería tempo para que o proceso selectivo se desenvolvese nos prazos que corresponden -convocatoria en abril, exames en xuño e tomas de posesión en setembro- non tranquiliza as centrais sindicais, entre as que abonda a definición da xuntanza deste xoves como "paripé". As prazas que a Xunta oferta, explican, correspóndense coa taxa de reposición do 100% estipulada nos Orzamentos de 2016, actualmente prorrogados, o cal abre dous escenarios: que o Goberno galego pode seguir adiante aínda que as contas de 2017 non estean aprobadas ou que tería que mudar "todos os números", en verbas do sindicato ANPE, se finalmente o Ministerio de Facenda abre a man e dá en ditar novas normas pola vía do Real Decreto-Lei. A Consellería chama a "esperar" polos movementos políticos en Madrid e os sindicatos censuran o uso dos opositores como "arma política" Calquera das opcións é para CIG-Ensino, sindicato maioritario na educación, mostra dunha "situación inédita" na que "se está a xogar cos opositores como arma arreboladiza e moeda de cambio para aprobar os orzamentos", reprocha o seu secretario nacional, Anxo Louzao, en declaracións a Praza.gal. A Xunta, subliña, transitou en apenas "quince días" de prever "convocar as oposicións sen ningún impedimento" a amagar con non facelo. "A situación non variou, só variou a actitude política" do PP e do propio Alberto Núñez Feijóo, acusa, que "en lugar de actuar como presidente da Xunta, con firmeza, actúa como presidente do PP", de "maneira totalmente submisa" no canto de seguir a estela de gobernos como o de Euskadi, "que actúa con determinación" e segue adiante coas oposicións. Distribución de prazas sen negociación A CIG-Ensino reprocha que a Xunta "desprece" a Mesa Sectorial e publique a "insuficiente" oferta de emprego "sen termos posibilidade de negociar" A incerteza e a falta de "seguridade xurídica" non é o único reproche sindical a respecto desta OPE. A Consellería, di Louzao, dá en "desprezar" a Mesa Sectorial, xa que deu en aprobar e facer pública a distribución de prazas entre as diferentes especialidades "sen sequera termos posibilidades de negociar". Esa ausencia de negociación corrobóraa tamén dende UGT Paula Carreiro, quen como Louzao considera "insuficientes" as prazas ofertadas nun contexto no que, ademais, o sindicato CC.OO. lembra o compromiso anunciado polo Goberno de España tras a Conferencia de Presidentes Autonómicos, segundo a cal quedaría eliminada a taxa de reposición para que cada goberno puidese lanzar convocatorias en función das súas necesidades. Con este pano de fondo as persoas aspirantes a participaren nestas oposicións manteñen os interrogantes sobre se, finalmente, poderán optar ou non a algunha das 912 prazas de ingreso que, como xa se avanzara, serían para un total de 25 especialidades no corpo de mestres, Secundaria e Formación Profesional. O maior número de prazas é para a ESO, con 432, entre as que as especialidades máis numerosas serían Matemáticas (80) e mais Física e Química, lingua galega, lingua castelá, Xeografía e Historia e Inglés (50). Para mestras e mestres a oferta sería de 432, con Pedagoxía Terapéutica (80), Audición e Linguaxe (70) e Primaria (65) como especialidades con máis prazas. En FP a oferta sería de 80 prazas en cinco especialidades. A oferta pública de emprego completaríase con 131 prazas de promoción interna. Un total de 108 corresponden ao acceso do subgrupo A2 ao subgrupo A1 nunha ducia de especialidades de secundaria. As restantes 23 serían para dez especialidades de música e artes escénicas.
NOS_56165
Portugal levantou a pasada noite a copa que os certifica como campións de Europa, sorprendendo a todos os afeccionados, que dificilmente tivesen apostado pola seleção lusa despois de remataren terceiras de grupo por detrás de Islandia e Hungría. Con esta Eurocopa, Portugal consegue o seu primeiro título internacional.
Hai veces nas que olvidamos que o fútbol é un deporte de equipo. Olvidámolo nos momentos previos ao partido. Francia era favorita, non facía falla máis que mirar as aliñacións. E olvidámolo no minuto 17, cando Cristiano Ronaldo rompeu a chorar por non poder xogar o partido máis importante da súa historia con Portugal. Pero a historia tamén era dos outros 10. En realidade, era o partido máis importante da historia de toda Portugal por segunda vez e nesta ocasión non llo ían regalar aos gregos. O xeito de chegar a semellante cita foi moi apartado da vibrante épica que transmiten os medios deportivos. Non houbo un heroe absoluto. Non houbo xestas históricas. A punto estivo de non haber nin unha victoria. Pero ninguén foi quen de gañarlle a Portugal e esa era unha deducción lóxica que se escapaba da visión maioritaria. Fernando Santos rescatou dun caixón abandoado o libro do Cadrado Máxico, escrito un día gris por Wanderlei Luxemburgo Rocoso 4-4-2, prescindindo das bandas. Metaliterario, incluso. Fernando Santos rescatou dun caixón abandoado o libro do Cadrado Máxico, escrito un día gris por Wanderlei Luxemburgo, para convertelo no novo Manual de como gañar a Eurocopa. Portugal mimetizouse coa Muralha de Valença do Minho, deixando un oco para o canón de Cristiano Ronaldo, a espada e o cabalo de Nani e unha porta de saída para o mercenario Quaresma, en caso de emerxencia. Portugal gañou porque todos fixeron o seu traballo, mentres os amantes do fútbol como espectáculo de entretemento renegaban dun mísero deporte. Tres empates na fase de grupos. Hungría, Austria e Islandia. Empate con Croacia en oitavos de final. Os croatas expuxeron demasiado. Foron demasiado bos en todas a facetas. Perderon por permitir unha contra no minuto 117. Primeira daga cravada polo mercenario.Traballo solvente. En cuartos de final frearon a unha Polonia pragada de asasiños en serie. Lewandowski, Blaszcikowski, Milik e Krichowiak, non conseguiron furar a muralha e perderon, fusilados, dende os 11 metros. Chegaron as semifinais e Portugal virou ofensiva Despois chegaron as semifinais e Portugal virou ofensiva. Acendeu o canón e Cristiano Ronaldo disparou dende as alturas para dar o primeiro golpe aos galeses. Cando o partido morría, Nani foi o encargado de rematar ao Príncipe de Gales, quen pretendía conquistar Europa só. Primeira vitoria do torneo no tempo regulamentario. A Muralha seguía en pé e só faltaba o ataque francés. Francia chegaba, saída do ximnasio, cos futbolistas máis fortes e potentes do continente. Guardiola diría que "son atletas", pero o máis pequeno do equipo era o seu maior perigo. Portugal quedou sen canón, mais Griezmann fallou en dúas tentativas. despois dun partido igualado no que os lusos comezaban a dominar o centro do campo, Fernando Santos decidiu perder a final retirando a Renato Sanches do terreo, para meter Eder e, casualmente, con iso gañou o partido. Éder aportou corazón e esforzo. Foi referencia en ataque, permitindo a saída en longo que os portugueses precisaban ante a presión francesa e, non contento con iso, marcou o gol do triunfo desde fóra da área. En Portugal tamén se di iso de que futebol é futebol.
NOS_37830
Nestes momento son dúas as candidaturas en marcha, a impulsada por Iniciativa pola Unión –onde membros do BNG, Cerna e Compromiso por Galicia fan parte da súa coordinadora- e a promovida polo Encontro cidadán por unha Marea Galega -que contan co apoio das forzas que asinaron o pre acordo de Mazarelos: Anova, EU e Podemos.
A través dun comunicado, o Encontro cidadán por unha Marea Galega informou dun acordo "entre todos os presentes" para estabelecer un calendario de traballo con prazos concretos para a creación dunha candidatura de unidade popular. Iniciativa pola Unión xa comezara o seu propio calendario, feito público o 13 de outubro xunto co regulamento do proceso. De feito, esta segunda feira ábrese o censo de primarias abertas. IpU, que leva semanas traballando no aprobado na Asemblea Aberta do 27 de setembro, segue a expresar a súa vontade de seguir coa man tendida a quen queira participar no proceso.Tamén o Encontro, no comunicado feito público onte, sinala que no foro político da sexta feira acordou "manter o proceso á incorporación doutros axentes políticos e sociais que asuman esas mesmas premisas". Esas premisas son as bases que o Encontro Cidadán achegou ao traballo para a construción dunha "candidatura popular" e que se compoñen de sete puntos. O Encontro afirma no comunicado publicado o sábado que "todas as organizacións presentes na reunión, tras analizar o documento achegado polo Encontro Cidadán por unha Marea Galega, concordaron nas bases que Encontro Cidadán aporta ao traballo para a construción dunha candidatura popular, nos puntos recollidos no seu documento de proposta". Cerna e Compromiso, que nega que asinara "nada", parecen atoparse nunha situación intermedia As forzas presentes na reunión foron as que asinaron o pre acordo de Mazarelos, Anova, EU e Podemos, o Espazo, Equo, Cerna e Compromiso por Galicia. Estas dúas últimas parecen atoparse nunha situación intermedia entre o Encontro e IpU. E é que tanto Cerna como CxG contan con membros das súas filas na coordinadora de Iniciativa pola Unión –Paula Vázquez Verao e Carlos Méixome por Cerna e Rafa Cuíña por Compromiso. Pola outra banda, o coordinador xeral de CxG, Xoán Bascuas, puxo de manifesto, en declaracións a Sermos Galiza, que "nós non asinamos nada". E é que Compromiso celebra o próximo sábado unha convención para decidir baixo que fórmula concorrerá ás eleccións xerais. Será, en palabras de Bascuas, un proceso "moi participativo". As grandes ausentes do foro político foron a propia Iniciativa pola Unión e mais o BNG. Adoptaron a decisión de non tomar parte da reunión pola exclusión de seis forzas políticas galegas –Partido Galeguista, Coalición Galega, Foga, Partido Comunista do Povo Galego, Agora Galiza e Terra Galega-, que non foron convocadas. O propio Bascuas lamentou en declaración a Sermos Galiza a exclusión destas forzas, unha consideración que Compromiso puxo de manifesto na reunión. Que defende cada plataforma? IpU defende tres cuestións para a configuración da candidatura. A primeira delas é unha candidatura galega con personalidade xurídica propia e que frutifique unha representación parlamentar plenamente soberana. A segunda, refírese á marca electoral, que debe ser nova para que todas as persoas con sensibilidades políticas diferentes se sintan cómodas. E a terceira, que o proceso se desenvolva sen vetos nin exclusións, ao considerar que a unidade ten que ser de todos e de todas as que queiran formar parte de Iniciativa pola Unión. Pola outra banda, as bases propostas polo Encontro recollen sete puntos. Sobre o grupo parlamentar galego, o punto 7º das bases resulta ambiguo, pois sinala que os deputados e deputadas electas "funcionarán a todos os efectos como un grupo parlamentar", mais non incorpora como finalidade que sexa independente dun grupo parlamentar estatal. O que non se recolle entre os sete puntos é a presenza ou ausencia de siglas partidarias na papeleta electoral, a pesar de que Podemos pon como condición que a papeleta recolla a súa marca.
NOS_21097
ODS-Coia organiza unhas xornadas o 2 de abril en Compostela nas que afondar en propostas concretas que garantan o dereito a unha vida digna.
'Da Risga á Renda básica das iguais'. Eis o título das xornadas que organiza esta fin de semana (2 de abril) a Oficina de Dereitos Sociais de Coia en Compostela, na Gentalha do Pichel. Un día de debate no que confrontar ideas mais tamén co que coñecer alternativas que se están a construír noutros lugares como Catalunya ou Euskal Herria. O obxectivo é comezar a traballar en "propostas concretas" que pulen polos "dereitos sociais" Desde ODS-Coia sinalan que o obxectivo é examinar "o papel que xoga a pobreza" no marco do "escenario" que debuxa o "capitalismo depredador" para a partir desa reflexión "deconstruír o empobrecemento como un fracaso indivisual" e comezar a pular por alternativas "concretas que garantan o dereito a unha vida digna e contribúan a procesos de transformación radicais". "As xentes de Baladre deixamos a un lado os termos difusos (cambio, progreso, transversalidade, reformismo, benestar....) para abordar propostas concretas que garantan o dereito a unha vida digna e contribúan a procesos de transformación radicais", apuntan. Eis a programación completa. Xornadas: "Da RISGA á Renda Básica das iguais" 10:00 - Presentación da xornada. 10:15 a 11:45 - "Planeta carroña. O capitalismo actual e as súas consecuencias", a cargo de J. M. Busqueta (Seminari Taifa) 12:00 a 14:00 - "O seu benestar e o noso malestar": - "A función da pobreza no capitalismo", a cargo de Albert Sales (sociólogo e profesor de universidade Pompeu Fabra) - "A Galiza máis excluída", a cargo de Leticia Castro (educadora social) Xantar 16:00 a 17:00 - "L'Olivera, 42 anos de economía social", a cargo de Clara Griera (Cooperativa L'Olivera) 17:00 a 18:30 - "Da RISGA á Renda Básica das iguais", a cargo de Mari Fidalgo e Manolo S. Bayona (Baladre) 18:30 a 19:30 - "Os Puntos de Información e Denuncia e Asembleas de empobrecidas-precarias": - Ruth López (Punto de Información Erletxea en Irún) - Beatriz Lorenzo (ODS-Coia) 19:30 - Lectura das propostas recollidas na xornada
NOS_32262
O "rei do swing", a voz do soul británico e o trío galego de rock clásico pechan unha edición na que o Outono Códax Festival ofreceu o mellor da música negra.
Ray Gelato, Hannah Williams e Mad Martin son os nomes que compoñen o cartel da última noite da edición de 2014 do Outono Códax Festival que chegará ao seu fin co concerto do sábado 11 na sala Capitol como fin a un programa que trouxo a Compostela voces como as de Sonny Knight&The Lakers ou a gran Irma Thomas. Swing, soul e rock´n roll na última proposta dun festival que ten acadado un espazo de referencia no calendario musical anual, situando a Compostela cun amplo público fiel xa á calidade dos concertos que ofrecen en cada unha das súas edicións. Desta volta, e para pechar o cuarto ano consecutivo do Outono Códax Festival chegará á Capitol o "rei do swing", maneira coa que se coñece a Ray Gelato canda a nova voz do soul británico Hannah Willians e os galegos Mad Martin Trío. A Ray Gelato débeselle en boa parte a recuperación das big band tradicionais e os sons dos anos corenta e cincuenta con The Chevalier Brothers. Con The Giants of Jive iniciou a seguir unha nova etapa que continuaría nos noventa coa denominación de The Ray Gelato Giants. Subirá tamén ao escenario da Capitol Hannah Williams, unha das voces máis potentes do novo panorama musical británico. Con A hill of feathers, o seu primeiro traballou, chegou á cimeira e conseguiu que fose comparada con voces como a de Janis Joplin ou Etta James. Os músicos da súa banda The Tastemakers fan de cada concerto unha experiencia única e que actuarán por vez primeira na Galiza. A aposta galega do festival para este peche de programa será Mad Martin Trío, o proxecto de Martín Esturao, Guillermo González e Manuel Brey que ten xa un EP editado en vinilo It was a very good year no que mostran a súa maneira de se achegar ao rock´n roll clásico dos anos 50.
NOS_1899
Partidari@s do derrocado Mursi convocaran manifestacións no 40 aniversario da guerra de 1973 contra Israel para protestar contra o golpe de Estado do 3 de xullo. Forzas armadas e Policía interrompéronas. Hai 51 mort@s, 230 ferid@s e máis de 400 detid@s.
Portavoces oficiais do goberno xurdido do golpe de Estado en Exipto recoñeron a medios oficialistas que a cifra de mort@s é de 51, mais desde a oposición islamista sinálase que esa cifra sería moito maior. Ademais d@s falecid@s, máis de 400 detid@s e 230 ferid@s. Ese é o saldo da xornada de manifestacións convocadas polos partidarios do derrocado presidente Mursi para celebrar o 40 aniversario da guerra de 1973 contra Israel. Forzas armadas e policia despregáronse para tomar as principais arterias das cidades exipcias. Os disturbios deron lugar a un baño de sangue. O exército mantén tomadas con tanques e armamento pesado arterias e pontes do Cairo. Helicópteros militares sobrevoan a cidade. Axencias sinalan que civís partidarios do golpe patrullan algúns barrios armados con coitelos e paus.
NOS_17144
Tirán e Cabo mantéñense na parte alta da táboa (4º e 5º respectivamente) após unha fin de semana de regatas en augas 'giputxis'. Meira segue a buscar acoplarse a unha competición tan dura como a ACT. Na Liga galega, todo o poder para os do Grove.
Fin de semana de regatas en augas de Gipuzkoa na liga #SanMiguel ou ACT, a máxima competición do banco fixo, e as principais traiñeiras galegas manteñen o pulso - dentro do que cabe - coas todopoderosas tripulacións vascas. Após o paso por San Pedro (sábado) e Donosti (domingo) a traiñeira de Tirán vai de cuarta na Xeral e Cabo de Cruz ocupa o quinto posto. Teñen por diante súa a tres dos grandes barcos do remo nestes anos: Hondarribia (actual campioa e que lidera a táboa), Urdaibai e Orio. Pola pola, os de Tirán e Cabo poden ver no seu ronsel a históricas como Astillero, San Pedro, San Juan ou Kaiku, entre outras. É máis: o terceiro posto, en mans dos 'agilutxos' de Orio está a só un punto de alcance para Tirán ou dous puntos para os de Cabo. Na ACT compiten 12 traiñeiras, das cales 3 son galegas, 1 cántabra e o resto, vascas. A terceira representante galega, Samertolameu de Meira, recén ascendida, vai de última na clasificación, e semella que lle está a custar coller o 'ritmo' dunha competición como a da ACT. Na regata de San Pedro a vitoria foi para a traiñeira de Hondarribia, cun tempo de 19:28:78; seguida de Urdaibai. Tirán entrou de cuarta (a 11 segundos) dos vencedores, e Cabo de Cruz foi quinta. Na regata da bahía de Donostia o triunfo meteuno a bordo Orio, por diante de Urdaibai, Hondarribia, Tirán e Cabo. Orio e Portugalete serán as prazas onde esta fin de semana que vén se disputarán as dúas novas regatas da ACT. Nas 5 bandeiras desputadas até o de agora Hondarribia coinquistou 3, Orio 1 e Urbaibai 1. Liga Galega de Traiñeiras A, B e Feminina Na Liga galega de traiñeiras o poder segue en mans dos do Grove, tanto na categoría A (onde compiten 8 embarcacións) como na B (onde son 7 os barcos que participan). Na LGT-A Amegrove lidera a clasificación (24 puntos), por diante de Ares (18) e Mugardos (17 ptos). A traiñeira de Mecos lidera a LGT-B, con 21 puntos, seguida dos asturianos de Castropol (18) e de Chapela, con 14. Na Liga galega de traiñeiras feminina, a tripulación de Cabo de Cruz vai de líder, por diante de San Martiño e Chapela. As vogadoras de Cabo ficaron esta fin de semana a piques de conquistar praza para a Liga Euskotren (competición de traiñeiras feminina), mais finalmente non puido ser. Fotografías: Maider Celada (Liga San Miguel)
NOS_37994
Naceu do franquismo. Foi unha mudanza lampedusiana ao ditado das esixencias do capitalismo internacional e das súas sucursais españolas para fechar calquera posibilidade de ruptura co réxime anterior. Sometido a referendo do corpo electoral o 6 de decembro de 1978, mais ratificada de facto o 23 de febreiro de 1981, a maioría da sociedade galega aposta na reforma do texto constitucional, segundo as conclusións dos últimos traballos do CIS (74,2 por cento das galegas queren mudanzas na Carta Magna, fronte a 69,6 en España).
Significou a institucionalización dun modelo político que daba continuidade aos eixos reitores das políticas do réxime do 18 de xullo. Deseñada nos grandes centros de poder imperial, nomeadamente nos Estados Unidos e Alemaña, validado polos sectores económicos e políticos que deran soporte á ditadura, garantido polas forzas armadas e coa monarquía situada como chave de bóveda, veu blindar a natureza unitaria do Estado e o poder dos núcleos oligárquicos. Juan Carlos de Borbón, o herdeiro nomeado por Franco, á fronte da xefatura do goberno; Adolfo Suárez, antigo secretario xeral do partido único, á cabeza dun goberno formado por ministros con experiencia nos gabinetes franquistas, e as forzas armadas, mandadas por unha xeración de militares curtidos na guerra civil e de probada lealdade ao caudillo, como xendarmes. En definitiva, un texto constitucional que estabelecía unha forma de Estado unitario fortemente centralizado, baixo o verniz autonomista e un modelo económico confesional cos principios do libre mercado, funcional ás necesidades de expansión do capital. O nacionalismo ficou só defendendo unha proposta de ruptura democrática fronte ao cambiazo que representaba a Constitución de 1978. A renuncia dunha parte da oposición democrática, nomeadamente do PSOE e do PCE, ás propostas programáticas e aos compromisos políticos que viñeron mantendo até practicamente 1976, deixaron sen incidencia social a contestación ao texto constitucional, agás na Galiza, Euskadi, Canarias e Catalunya. O nacionalismo galego, na súa construción doutrinal, pero sobre todo, na súa práctica política, foi quen de erguer unha alternativa á Constitución española, defendendo as Bases Constitucionais da Nación Galega, ao seu programa económico, rexeitando os Pactos da Moncloa, e ao seu capítulo territorial, a autonomía como manobra para asimilación de Galiza e a súa integración máis eficaz na mecánica colonial. O pobo galego non apoiou maioritariamente a Constitución española de 1978. Mentres no conxunto do Estado 58,97% da poboación validou o texto sometido a referendo hai corenta anos, cun significativo apoio en Andalucía e nas dúas Castelas, a adhesión en Galiza e Euskadi non superou o 50% do censo. Malia a abafante campaña do aparato do Estado e da practica totalidade das forzas políticas de obediencia española, o número de sufraxios afirmativos na Galiza situouse en 44,6% do total do censo, acadando na Coruña o 48,9%; en Lugo, o 37%; en Ourense, o 35,3% e en Pontevedra, o 48,6%. A xeografía da oposición ao texto constitucional correspóndense con aquelas áreas onde a introdución social do nacionalismo era máis forte, destacando o rexeitamento acadado nas comarcas de Lugo e Ourense, onde o movemento nacional popular galego, a través das Comisións Labregas, estaba máis asentado. Así, as cousas, a Constitución de 1978 non será avalada pola maioría do corpo electoral das circunscricións electorais de Guipuzkoa, Bizkaia, Ourense, Lugo, Araba, Pontevedra e A Coruña. [Podes ler a peza íntegra no número 325 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_3815
Vén de denunciar o caso de inxustiza lingüística sufrido por unha nena de 4º de primaria en Porto do Son.
A nai dunha alumna contactou a través da Liña do Galego coa Mesa para consultar se podían quitarlle puntuación nun exame de Ciencias Sociais á súa filla polo uso da forma Galiza. Os pais da rapaza presentaron unha reclamación na que explicaban e xustificaban que non se lle podía contabilizar como falta de ortografía o termo Galiza. A Mesa lembra que segundo as normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas polo plenario da Real Academia Galega en 2003: "Galiza tamén é unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada da época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo". Alén disto, indica A Mesa, "o termo Galiza é lexítimo e correcto polo que non se pode cualificar de falta de ortografía". A dirección do centro nun escrito do 6 de xuño reafirmouse na súa postura no que conta co aval da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O presidente da Mesa, Marcos Maceira, reclamoulle á Xunta de Galiza que cumpra "coa súa obriga de garantir os dereitos lingüísticos .
PRAZA_11439
A empresa pública tramita o planeamento urbanístico das terminais compostelá e viguesa suxerindo á Xunta para a primeira unha "área de cautela" para unha hipotética segunda pista
A empresa pública tramita o planeamento urbanístico das terminais compostelá e viguesa suxerindo á Xunta para Lavacolla unha "área de cautela" para unha hipotética segunda pistaA Xunta anunciou este xoves no Diario Oficial de Galicia a exposición ao público dos plans urbanísticos que regulan a implantación actual e evolución futura dos aeroportos de Santiago e Vigo. Os documentos, elaborados por Aena, a empresa pública encargada da xestión das terminais, reflicten parte dos plans de crecemento xa aprobados para os dous aeroportos, pero van máis alá e delimitan o que denominan "Máximo Desenvolvemento Posible", unha "recomendación" ás administracións para que "preserven" eses espazos como lugares nos que pode ser preciso ampliar os aeroportos "a moi longo prazo". No caso de Vigo, onde se quere construír unha pista de rodada paralela á pista de aterraxe e despegue actual, esa superficie é menor, pero no de Santiago o documento debuxa unha segunda pista transversal á actual.Aena sinala que "non establece determinacións vinculantes, senón que é unha recomendación ao planeamento urbanístico co ánimo de preservar a visión estratéxica do aeroporto a moi longo prazo"Os documentos agora expostos ao público para a súa posterior aprobación por parte da Xunta como administración responsable da ordenación urbanística trasladan a ese ámbito, o urbanístico, a través das figuras de senllos plans sectoriais de incidencia supramunicipal, as instalacións xa construídas ou previstas nos dous aeroportos nos respectivos plans directores de cada aeroporto de Aena. Nos documentos se sinala que o denominado Máximo Desenvolvemento Posible "non establece determinacións vinculantes, senón que é unha recomendación ao planeamento urbanístico co ánimo de preservar a visión estratéxica do aeroporto a moi longo prazo, máis alá do Horizonte 3 fixado xeralmente como límite do Desenvolvemento Previsible do mesmo".No caso de Santiago, o aeroporto, con algo menos de 3 millóns de pasaxeiros ao ano, non chegou aínda ao denominado Horizonte 2, fixado en 3,2 millóns de viaxeiros. E o Horizonte 3 está en 4,17 millóns. Pero o Máximo Desenvolvemento Posible vai máis alá deses tres horizontes e sinala "as Áreas de Cautela Aeroportuaria, entendendo por tales aquelas que a administración debera preservar para posibilitar o posible desenvolvemento último do aeroporto".En Vigo a principal novidade sería a construción dunha longamente reclamada pista de rodada paralela á pista de aterraxe actual que afectaría a boa parte dos terreos ocupados actualmente por un campo de golfEsa hipotética futura ampliación de Lavacolla non só contaría cunha nova pista de aterraxe e despegue transversal á actual senón tamén cunha segunda terminal, todo disposto sobre montes que actualmente están cubertos maioritariamente por plantacións de eucalipto. Son debuxos que a propia Aena advirte que realiza "con carácter indicativo, a fin de que o planeamento urbanístico poida telas en conta para evitar a implantación de usos incompatibles con futuras ampliacións". Pero a "inclusión, cando proceda" desas zonas dentro do sistema aeroportuario deberá realizarse a través dun novo plan director do aeroporto, competencia do Ministerio de Fomento.No caso de Vigo, a principal novidade sería a construción dunha longamente reclamada pista de rodada paralela á pista de aterraxe actual que facilitaría os movementos das aeronaves e a axilidade dos despegues e aterraxes e que afectaría a boa parte dos terreos ocupados actualmente por un campo de golf do Real Aeroclub de Vigo.
NOS_11146
Os datos falan de maos tempos para a cultura. Custa financiar os proxectos creativos nun momento de grande crise económica, rebaixas de orzamentos e diminución do consumo cultural. Contra esta situación nace a produción cooperativa, a cultura a escote. Botar adiante iniciativas co que se deu en chamar crowdfunding. O novo disco de Os Cempés ou o tributo a Magín Blanco son dous exemplos do suceso destas iniciativas.
A necesidade fai virtude, di a sabedoría popular. Esta máxima estase a pór de moda na cultura galega. Unha grande capacidade creativa, a desaparición de orzamentos destinados a promover o talento e as iniciativas culturais e o control do consumo cultural en tempo de crise son tres elementos que están a dar un xiro á produción cultural en todos os ámbitos, e moi especialmente no musical. O crowdfunding é o sistema elixido para botar a andar iniciativas que, sen o contributo de moitas persoas, non poderían ver a luz. Os Cempés fan gala da multitude de persoas que apoiaron a saída do seu novo disco achegando cartos. A súa páxina de facebook abre nestes días cunha fotografía na que se acumulan nomes de homes e mulleres que sumaron no conxunto 9.775 euros para sufragar a saída de Tentemozo, o novo disco co que a banda comemora os vinte anos no escenario desde aquela primeira vez que se puxeron diante do público nun concerto en Cedeira. A escote búscase financiar o recompilatorio Galician Bizarre II. A través da plataforma verkami búscase editar un disco con dezaoito cancións inéditas doutras tantas bandas. A tirada será de 525 exemplares en vinilo e nel está previsto que participen Alarido Mongólico, Carrero Bianco, Fluzo ou Mullet. O micropatrocinio para a produción do novo Galician Bizarre, xestionado a través da rede, consiste no pagamento de 10 euros de forma anticipada como compra do disco. A persoa que se faga cun exemplar será, ao tempo, coprodutora do proxecto. Avisan de que só recadan para a elaboración das copias. Ningunha das bandas cobra polo seu traballo. Tamén recolle cartos Projecto Mourente para financiar o novo disco A Pior, gravado nun apartamento de Compostela entre 2010 e 2011. Zeca, Fred e Magín Co mesmo sistema de coprodución social quérese que o concerto homenaxe a Zeca Afonso, celebrado no Auditorio de Santiago con motivo do 40 aniversario da estrea mundial de Grândola, non fique só na memoria de quen asistiu como público. Na rede atópase a iniciativa para partillar a inmortalización do momento. As opcións de apoio van de 5 a mil euros e a recompensa increméntase en función da cantidade, desde un cartaz do evento até un deseño de Caramuxo e 250 camisolas, pasando por publicidade en medios dixitais en galego. O músico brasileiro Fred Martins que na Galiza se deu a coñecer a través da colaboración con Ugia Pedreira en Acrobata botou a andar tamén na rede a súa iniciativa particular para comemorar vinte anos de carreira cun cd cos temas máis representativos da súa traxectoria musical. Para que Fred Martins teña o seu disco pódese contribuír con doazóns de 5 a 1500 euros. Con cinco euros o nome das persoas que apoiaren aparecerá nos créditos do CD e desde esa compensación mínima a iniciativa vai medrando até @s que contribuíren con 1.500 euros, que poderán contar cun concerto privado do músico en calquera lugar de Europa. Para render homenaxe ao músico Magín Blanco após un accidente que o levou a deixar a música, ideouse un proxecto que consiste en lograr a colaboración doutros artistas que versionarán os seus temas e a publicación do traballo nun dobre CD. A resposta foi xenerosa e máis de trinta músicos participan xa nun proxecto que supera neste momento os 3.000 euros recadados por máis de cento vinte mecenas. Desde os 5 aos 70 euros do que dependen as distintas recompensas e xa algunhas das posibilidades para contribuír ao proxecto están esgotadas. Na música é no ámbito onde máis está a florir a produción compartida, mais tamén no audiovisual nacen iniciativas de mecenado social para levar adiante proxectos. A realización da longametraxe de ficción http://www.fervenzamovie.com/es/el-comienzo de Miguel Calvo e Manuel Suárez, que busca xuntar 200.000 euros para os que aínda quedan 148 participacións, é un exemplo diso.
NOS_23067
A análise económica semanal de Sermos pon o foco na vulneración de dereitos da carta social europea polo Estado español, as leves multas á gran banca española ou á batalla das pensións.
1) Multas que son cóxegas. A Comisión nacional de mercados e competencia (CNMC) sancionou Caixabank, Santander, BBVA e Sabadell con multas que atinxen os 91 millóns de euros por coordenarse e pórse de acordo antes de realizar a oferta ao cliente para fixar unhas condicións afastadas das que se comprometeran a proporcionar. Durante a crise a gran banca española acumulou ganancias por máis de 84.000 millóns de euros. Só en 2017 obtiveron un beneficio de 13.624 millóns, 7% máis que no exercicio anterior. 2) Todo continúa como sempre: cobrar menos por ser muller. O informe 'Brecha salarial y techo de cristal' elaborado polos técnicos de Facenda (Gestha) evidencia que as mulleres cobran en Galiza 28,7% menos que os homes. Territorios como Estremadura, Andalucía, Aragón, Canarias, Castela-A Mancha, Baleares e Catalunya foron onde nestes anosse rebaixou a fenda entre salarios de homes e mulleres. Galiza, pola contra, está estancada e continúa coa mesma fenda de 2005. 3) Labazada ao Estado español por vulnerar dereitos da Carta social europea. O Comité europeo de dereitos sociais, organismo independente, que fai parte do Consello de Europa, recolle nun relatorio que España incumpre varios preceptos da Carta social. Vulneracións en temas tan importantes como a protección social ou seguridade laboral. Dá a razón así ás alegacións presentadas no seu día pola CIG. Aa frecuencia dos accidentes é demasiado elevada como para considerar que o exercicio do dereito á seguridade no traballo está garantido no Estado español". 4) Continúa a batalla das pensións. Un estudo das patronais de seguros presentado esta semana aponta que por mor das reformas de pensións de 2011 e 2013, a pensión media será case 400 euros menos que a actual. Todo parece converxer para que a xente acepte procurar no privado un dereito público (o de xubilación). Boa parte do discurso sobre a inviabilidade do sistema público de pensións emprega como argumentos estudos, opinións e informes procedentes do denominado 'Comité de expertos' e con maioritaria presenza do sector privado. Creado no ano 2013 polo goberno do PP. O estado español adica ao gasto en pensións apenas o 10,5% do seu Produto interior bruto (PIB). Porcentaxe moi inferior á que dedican outros países. Así, Portugal e Grecia destinan 13 e 14,3% respectivamente. Francia un 14% e Italia case un 18%. 5) Sainete político e ao fondo, Galiza perde 1.600 millóns de euros. Da cimeira do PP en Madrid desta segunda feira Feijóo veu cun discurso triunfalista no que afirmaba que non habería quita para as comunidades autónomas polo que os intereses de Galiza estaban preservados. Quita non podía haber (prohíbeo a propia Unión Europea) mais axiña Montoro explicou que ía haber unha "reestruturación" da débeda das autonomías. De 2012 á actualidade, as comunidades puideron financiarse con mecanismos públicos a baixos intereses. Conseguiron así 251.000 millóns de euros en liquidez. Segundo estimacións de Facenda, aforraron en xuros por volta de 20.000 millóns de euros. A comunidade que botou menos man dese ferramenta foi Galiza. A Xunta preferiu financiarse nos mercados de débeda privados, a xuros máis altos. O sobrecusto desa operación para as arcas galegas foi de 1.600 millóns de euros, segundo os cálculos de Manuel Lago, economista e deputado de En Marea.
NOS_34095
As sospeitas pairan sobre a compra de Barreras por Pemex.
Emilio Lozoya Austin, o antigo director xeral de Pemex que negociou con Alberto Núñez Feixoo e posteriormente formalizou a compra do estaleiro vigués de Barreras pola petroleira pública mexicana, compareceu esta cuarta feira diante do xuíz Artemio Zúñiga Mendoza, en relación coas irregularidades cometidas durante a súa etapa á fronte da compañía. A vista decorreu no Centro de Xustiza Penal Federal do Cárcere do Norte da Cidade de México. Segundo sinala o xornal mexicano La Jornada foi "a primeira audiencia pública" que se realizou sobre o caso, após a extradición de Lozoya a México en xullo de 2020, tras ser vinculado a "operacións con recursos de procedencia ilícita, suborno e asociación delituosa". Neste sentido, La Jornada destaca que "o obxectivo da audiencia é determinar se se remata co prazo para a investigación complementaria, ou ben se outorga unha sexta prórroga". A actuación a seguir enfronta a Fiscalía Xeral da República e a defensa de Lozoya. Mentres a primeira sostén que non hai elementos pendentes e que a investigación debe fecharse para formular a acusación, a segunda pide unha ampliación desta fase do procedemento, formalmente, co obxectivo de obter unha resposta do Goberno do Brasil sobre o ex director de Odebrecht en México, Luis Alberto Meneses. A causa aberta pola xustiza mexicana contra Lozoya afecta a diversas operacións formalizadas por Pemex entre 2012 e 2016. Unha delas refírese a supostos negocios ilícitos coa construtora brasileira Odebrecht, investigada en diversos países polo pago de comisións a dirixentes políticos e responsábeis públicos. Outra pon o foco na compra por parte da petroleira pública mexicana da empresa d Agro Nitrogenados, que segundo a instrución xudicial facía parte da estrutura paralela de Odebrecht para o reparto de subornos. A adquisición de Barreras A compra do estaleiro vigués de Barreras por Pemex está, tamén, baixo sospeita das autoridades mexicanas. Se en xuño de 2019 era o presidente do país, Ángel Manuel López Obrador quen anunciaba dentro dunha campaña de "limpeza contra a corrupción" que "estamos a revisar os contratos de empresas que se teñen con estaleiros españois onde non había un trato xusto para Pemex", en febreiro de 2020, o xefe da Unidade de Intelixencia Financeira (UIF), Santiago Nieto Castillo, sinalaba que existían dous casos por xudicializar contra Lozoya Austín relacionados con defraudación fiscal e a adquisición de Barreras. Lozoya pasou a converterse nun nome coñecido para os galegos en 2013, cando se formalizou a compra de Barreras por Pemex, tras un proceso onde Núñez Feixoo xogou un papel destacado. A prensa mexicana non dubidou en sinalar a relación entre o presidente galego e Lozoya, afirmando en febreiro de 2020 o xornal El Universal que "o ex director de Pemex forxou vínculos e negocios co político Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta da Galiza, e a empresaria Mar Sánchez Sierra, tras a compra dun estaleiro a sobreprezo e mediante presuntos actos de corrupción". Sánchez Sierra é secretaria xeral de Medios do Goberno galego desde 2009.
PRAZA_7891
O Centro Informático para a Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contable inicia o proceso de compra de ordenadores para diversos departamentos da área financeira da Xunta e esixe que os equipos teñan preinstalado o sistema operativo de Microsoft
O Plan de Acción en Materia de Software Libre da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o departamento que centraliza as accións da Xunta na área informática, asegura que en "todos os departamentos da Xunta" se "priman as solucións libres" á hora de adquirir equipos e programas. Concretamente, este plan do Goberno galego asegura que se propón velar polo "mantemento do software libre no posto informático do empregado público". Esta declaración de intencións vén de bater de novo coa realidade. Unha vez máis, a Administración autonómica ten que realizar un investimento en equipos informáticos nada desprezable en termos económicos, de case 200.000 euros, e unha vez máis decide que, si ou si, opta polo software privativo, nomeadamente polos programas da multinacional Microsoft. O Centro Informático para a Xestión Tributaria Económico-Financeira e Contable (Cixtec), dependente da Consellería de Facenda, vén de iniciar o procedemento administrativo para mercar un "mínimo" de 220 ordenadores persoais para o propio Cixtec e para varios departamentos da consellería que dirixe Elena Muñoz cun prezo de licitación -cantidade máxima que está disposta a gastar- de 199.650 euros, cun máximo de 907,50 euros por equipo. O obxectivo da operación é "substituír equipos existentes", xa que "as aplicacións actuais demandan unha maior capacidade de proceso e rapidez de resposta que os antigos ordenadores non poden soportar". "A necesidade administrativa a satisfacer é a de dotar os usuarios con equipamentos informáticos máis actualizados, cos que se poidan levar a cabo de xeito rápido e eficaz o seu traballo", resume o prego de condicións. Para todo isto, Facenda só confía en Microsoft. Hai menos dun ano Facenda gastou máis de 100.000 euros en 110 ordenadores para os que tamén esixía Windows Obviando as solucións libres existentes no mercado -algunhas desenvolvidas co apoio da propia Xunta- o Cixtec estipula que, entre os "requisitos mínimos" dos equipos que vai mercar, debe figurar, no que atinxe ao software, unha "licenza OEM Windows", isto é, que cada ordenador debe levar preinstalado o sistema operativo da multinacional americana, sen posibilidade de que as empresas interesadas en facerse coa contratación lle poidan ofrecer á Xunta, por exemplo, un sistema operativo libre que poida ofrecerlle as mesmas prestacións a un prezo máis económico -evitando, por exemplo, as renovacións de licenzas-. O resto de características "mínimas" refírense a requisitos como un mínimo de catro xigas de memoria RAM, un teclado compatible cun lector de DNI electrónico ou un monitor TFT de entre 21,5 e 22,5 polgadas, entre outros. A empresa que lle subministre esta partida de ordenadores á Xunta deberá entregalos nos servizos centrais de Facenda, en San Caetano, na sede do Cixtec e nas cinco delegacións territoriais da consellería. Cando o faga -un mes despois da formalización do contrato- ficará culminada a segunda compra de ordenadores con sistema operativo privativo que realiza este departamento autonómico en menos dun ano. Como informou Praza Pública, a finais de maio de 2012 o propio Cixtec iniciou os trámites para destinar ata 100.465 euros a comprar 110 ordenadores para os que tamén esixía Windows. Esta esixencia non é, así e todo, exclusiva de Facenda. Así, por exemplo, o Parlamento de Galicia tamén pediu que os portátiles que mercou para os deputados e deputadas da IX Lexislatura tamén incluísen o programa estrela de Microsoft.
NOS_19877
O paro indefinido apunta a un seguimento masivo, por riba de 90% segundo os sindicatos.
A primeira xornada de greve na administración de xustiza de Galiza a ponta a un seguimento moi amplo, segundo os sindicatos, que o cifran en 90%. Por volta de 2.500 traballadores están chamados a secundar o paro indefinido contra a discriminación salarial co resto do Estado. No primeiro día de greve sobre uns 500 xuízos fican suspendidos e miles de trámites non se poderán realizar. Núñez Feijóo afirmou esta cuarta feira que a proposta realizada polo seu goberno aos funcionarios de xustiza, que os sindicatos rexeitan, situaría Galiza "por encima da media" das autonomías a nivel retributivo. Pablo Valeiras, un dos voceiros da plataforma que reúne a todos os sindicatos da administración de xustiza en Galiza – CIG, USO, AXG-CUT, UGT, CSIF, STAJ, CIG e CCOO – e que manteñen una unidade total neste conflito, explicaba: o"Isto non é unha reclamación económica, esta é unha reclamación contra a discriminación que temos os traballadores da xustiza galega fronte ao resto de traballadores da xustiza no Estado. A día de hoxe, os traballadores da xustiza galega estamos discriminados a nivel sanitario fronte a maxistrados, fiscais, secretarios. En baixas por gripe, varicela ou sarampelo eles non teñen ningún tipo de desconto e a nós descóntannos 50%. Pero os traballadores dos outros territorios do Estado tampouco teñen descontos pola gripe. Nós si".
NOS_23752
María Lopo presenta no Centro Ramón Piñeiro dúas antoloxías, unha de poesía galega en bretón e outra da bretoa en galego. Será na na cuarta feira 20 de novembro ás 20 horas.
A cuarta feira 20 de novembro preséntanse ás 20 horas no Centro Ramón Piñeiro dúas antoloxías da ensaísta María Lopo: Barzhaz Bihan Galiza. Mostra de poesía galega, edición bilingüe galego-bretón, e Canto e contracanto. Antoloxía de poetas de Bretaña, composta por poemas en bretón, francés e inglés traducidos ao galego. Estas dúas obras xa foron presentadas no Festival Intercéltico de Lorient, cuxa edición de 2019 se dedicou á Galiza. Para alén da intervención da autora, estarán presentes os co-tradutores bretóns: o filólogo Herve ar Bihan e o poeta Gwendal Denez. Igualmente, as poetas galegas Olga Novo e Claudio Rodríguez Fer ofrecerán un recital. Asistirán tamén o historiador Ramón Villares e o crítico Armando Requeixo, secretario do Centro Ramón Piñeiro. Presidirá o acto o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Todas as persoas asistentes ao acto recibirán cadanseu exemplar de ambas antoloxías. María Lopo A profesora e tradutora María Lopo, que exerceu a docencia na Universidade da Alta Bretaña, é autora de numerosas obras en galego, francés e bretón, especialmente sobre Galiza e o celtismo na nosa cultura, sobre Bretaña e a súa poesía, sobre o exilio republicano en Francia e sobre cuestións de xénero relacionadas coa ensinanza da lingua francesa. Precedendo a estas antoloxías, Lopo xa traducira ao galego varios poetas franceses, como Rimbaud, Guillevic ou Ferré, e bretóns, como Anjela Duval.
NOS_56244
As organizacións convocantes rexeitan os recortes nos Orzamentos da Xunta para 2013. "Poñen en perigo a universidade pública e o desenvolvemento futuro de Galiza". Acordaron un calendario de mobilizacións que contempla entrevistas cos grupos parlamentarios, concentracións, aulas na rúa, pitadas e mesas redondas, entre outras.
A Coordinadora en Defensa da Universidade Pública, integrada por organizacións sindicais e estudantís das tres universidades galegas, compareceron nesta terza feira para manifestar "o rexeitamento unánime aos recortes orzamentarios da Xunta de Galiza para 2013". Esta plataforma está integrada por Acción Universitaria, APA, CIG, Comités, CUT, Liga Estudantil Galega, TGU (USC), UGT, CCOO e USO. Para esta Coordenadora eses recortes poñen en perigo a universidade pública "e o desenvolvemento futuro de Galiza". Ante isto, acordaron un calendario de mobilizacións que contempla entrevistas cos grupos parlamentarios, concentracións, aulas na rúa, pitadas e mesas redondas, entre outras. Calendario: - 21 de febreiro: Fan un chamamento a toda a comunidade universitaria a participar nas concentracións convocadas pola Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos para esta data, ás 19:00 horas nas cidades galegas. - 25 de febreiro: Convocan unha concentración, ás 10:00 horas diante do Parlamento de Galiza coincidindo co comezo do pleno de orzamentos. Ao longo desa xornada están previstos tamén actos e mobilizacións a desenvolver nas distintas facultades. - 26 de febreiro: Convócase un paro de catro horas apoiado pola CIG, APA, TGU, CUT, Liga Estudantil Universitaria e Acción Universitaria, para facilitar a participación na concentración convocada diante do Parlamento de Galiza. Previsibelmente convocarase tamén unha concentración previa na Praza do Toural, ás 13:00 horas, para saír en manifestación até o pazo do Hórreo.
NOS_29120
O líder de Vox volveu reiterar na Cámara española a necesidade de "ilegalizar" as organizacións "separatistas".
Santiago Abascal volveuno facer. Unha vez máis, o lider de Vox, formación que ten cero representantes na Galiza, falou de "apartheid" contra os españolfalantes naqueles territorios que teñen lingua propia, tamén na Galiza. Pouco importa que estudos, informes e a propia realidade do día a día, cotiá, neguen ese 'apartheid' do que fala Abascal; el teima en denunciar que na Galiza os falantes de español están popuco menos que perseguidos e estigmatizados. Desta volta foi no Congreso dos Deputados. O dirixente ultra dereitista –que se gaba de ter unha aboa galega- acusou Pedro Sánchez de ir "cesión" tras "cesión" ante os "independentistas". Fronte a iso, dixo, a proposta de Vox era clara: "ilegalización dos partidos secesionistas" e acabar co "apartheid lingüístico na Galiza e Catalunya". Nada orixinal no discurso da formación de extrema dereita, que xa reiterou en máis ocasións a súa aposta por ilegalizar BNG, ERC, EH Bildu, Junts e PNV; así como situar galego, euskara e catalán nunha posición de 'secundóns' a respecto do español . Cómpre lembrar que VOX chegou a presentar un recurso para que se revoguase a acta de deputado a Néstor Rego e das representantes das formacións soberanistas de Catalunya e Euskadi, baixo a acusación de teren cometido fraude de lei por acatar a Constitución baixo fórmulas que aluden á defensa dos dereitos dos seus pobos e da liberdade.
PRAZA_2145
O bloque independentista alcanza a maioría absoluta en escanos pero non en votos nunhas eleccións cunha histórica participación. Junts pel Sí gaña con amplitude nun 27S onde a CUP e Ciudadanos foron os grandes vencedores. Fracaso de Catalunya Si que es Pot e do PP.
O independentismo alcanzou con claridade a maioría absoluta no novo Parlament catalán, pero quedou a pouco menos de dous puntos da maioría dos votos. Con máis do 94% escrutado, Junts pel Sí (JxSí) e a CUP suman 72 escaños (en 68 está a absoluta) e algo menos do 48% dos sufraxios. Junts pel Sí gañou con diferenza, pero os seus 62 escanos non superan, nin moito menos, aos que obtiveran a CiU e ERC por separado en 2012, cando sumaran 71. Perderon varios, case os mesmos que gañou a CUP, que pasou dos 3 deputados de hai tres anos aos 10 de agora. O avance desta última forza pode ser clave, xa que xa deixou claro que non apoiarían a investidura de Artur Mas, a quen non queren liderando un procés que semella que seguirá adiante, pero que non parece que poida ser acelerado ao non superar o independentismo o 50% dos sufraxios. De feito, a Artur Mas -e JxSi- non lles serviría a abstención da CUP para ser investido presidente, senón que precisarían o voto a favor, polo que a posibilidade de que o candidato non sexa o actual president é cada vez máis clara. A CUP será a chave do proceso. O independentismo saíu fortalecido, pero sobre todo a forza daqueles que apostan por un novo estatus. A suma de todas aquelas formacións que avogan por unha consulta e unha nova relación co Estado. Junts pel Sí, CUP, Catalunya Si que es Pot e Unió, que piden un referendo legal, superan con amplitude o 60% dos votos. Junts pel Sí obtivo menos escanos que a suma de CiU e ERC en 2012 e perdeu case os mesmos deputados que gañou a CUP O que quedou claro é que non eran unhas eleccións calquera. Deixárono claro as enormes ringleiras de xente que durante todo o día acudiron aos colexios electorais. E o carácter plebiscitario, explícita ou implicitamente, tamén foi evidente polas mensaxes que independentistas, soberanistas e non independentistas lanzaron durante toda a campaña. Era unha data histórica e así o foi. Ao final, a participación alcanzou o 77,21%%, case dez puntos máis que nas eleccións autonómicas de 2012. A suma dos partidos que apostan por un novo estatus e un referendo supera o 60% dos votos Quen sae mal parado, ou cando menos non como desexaba, é Podemos, que integrou a candidatura de Catalunya Si que es Pot xunto a Iniciativa per Catalunya e outros grupos. O seu resultado non mellorou en escanos aos de IC-V en solitario e as expectativas de Pablo Iglesias quedaron fondamente tocadas, tendo en conta tamén as negociacións que mantén noutros territorios para integrar grupos nacionalistas na súa candidatura. Quedou lonxe do PSOE e empatado co PP en escanos. Os malos resultados de Catalunya Sí que es Pot supoñen un golpe a Podemos Foi o PP quen tamén levou un duro golpe ao non conseguir recoller o voto do unionismo, que foi parar fundamentalmente a Ciudadanos, que é a outra gran formación que saíu fortalecida deste 27S, sobre todo de cara ás vindeiras eleccións xerais. O cambio de candidatura e o discurso radical de García Albiol non funcionou para os de Rajoy. Entre os socialistas, a perda de apoios era esperada, pero se cadra foi menor do agardado. Un mal menor para un partido que non hai moito gobernaba o país. Pola súa banda, Unió, que aspiraba a entrar na Cámara autonómica, non alcanzou superar a barreira do 3% dos votos. "Gañamos", dixo Artur Mas na súa primeira comparecencia, na que dixo que houbera "dúas vitorias nunha" neste 27 de setembro: "a do si e a da democracia". Ademais, preguntouse que "que dirán" aqueles "que negaron o carácter plebiscitario" dos comicios ao superarse o 75% dos votos. "Do mesmo xeito que teriamos aceptado a derrota, pedimos que os demais acepten a vitoria de Catalunya e do si", engadiu o president da Generalitat e número 4 da lista de Junts pel Si. >> Máis información en Catalunya Plural Crónica e análise da xornada electoral en Catalunya Plural
NOS_9270
O profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) suspendido das súas funcións polos seus comentarios machistas asume o seu comportamento e asegura que o defenderá ante quen faga falta. "Ese son eu e vouno facer sempre", afirmou.
En declaracións á Televisión de Galiza e TVE recollidas por Europa Press, o profesor da USC, suspendido das súas funcións desde esta cuarta feira, xustificou os comentarios que lle dedicou a unha das súas alumnas durante unha clase de matemáticas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. "Dáme igual que me mande o reitor, o presidente de España ou Cristo bendito, eu non lle dou clase a mulleres en topless, a ver se nos damos conta dunha vez de como son eu. E non me preocupa en absoluto defender isto ante quen faga falta, porque é o que quero facer. Ás miñas clases vense a traballar". Dáme igual que me mande o reitor, o presidente de España ou Cristo bendito, eu non lle dou clase a mulleres en topless Na súa explicación ante os medios, sen preguntas das xornalistas, Luciano Méndez quixo aproveitar esta polémica para referirse a outro asunto "que me preocupa máis para a miña imaxe pública, que é ser acusado de maltratador. Fun absolutamente absolto dese problema. Ser acusado de non darlle clase a xente en topless non me preocupa, vouno facer sempre; agora, pegarlle ás mulleres, non. Nin ás mulleres nin a ninguén. Eu non son unha persoa violenta". A USC resolveu a suspensión cautelar de Luciano Méndez ante a gravidade dos feitos dos que o acusan, e anunciou a apertura dun procedemento sancionador que avaliará todas as probas antes de emitir a resolución definitiva. "Son feitos moi graves que hai que tratar de erradicar desta Universidade", declarou o reitor Antonio López durante a comunicación pública das medidas provisionais acordadas.
NOS_25245
As e os expertos que forman parte deste grupo asesor da Xunta na evolución da pandemia ven con preocupación a situación epidemiolóxica na contorna. Igualmente, levarán ao encontro da terza feira o estudo das cifras ligadas á reapertura do lecer nocturno.
A reunión do Comité Clínico e representantes da Xunta para analizar a evolución da pandemia na Galiza prevista para esta terza feira volverá a decorrer nun marco de tensión. As e os expertos -35 asesores están dentro do colectivo- recoñecen que os datos da comarca de Pontevedra son "preocupantes" malia elevar parcialmente as restricións após o foco de contaxios da Covid-19 derivado das excursións de fin de curso a Mallorca e a participación nun botellón masivo e sen medidas sanitarias. Dadas as circunstancias, e malia que os negocios tiveron que adaptarse á situación xa a semana pasada, desde o comité non descartan verse na obriga de elevar outro chanzo máis as prohibicións para a contorna. De ser así, é dicir, de non puntualizarse determinadas limitacións e mover en bloque determinados concellos ás máxinas restricións volverían os fechamentos perimetrais que desapareceron hai semanas. A doutora Mariña Varela, xefa do servizo de Anestesioloxía e Reanimación do hospital de Pontevedra, explicou que no encontro haberá especial atención ás informacións que cheguen desde Pontevedra "e outras zonas de Galicia". Sen falar claramente de ningunha medida, a facultativa avanzou que a idea é seguir aplicando a "prudencia" e estabelecer actuacións "cirúrxicas" para aplacar os brotes e a subida "exponencial" da incidencia entre determinados sectores da poboación, os que non están vacinados. Idade e lecer nocturno "Existen incertezas, preocupación por esta onda de pacientes nestes tramos de idade", confirmou, mais o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, descartaba na segunda feira -de momento- adiantar á mocidade deixando a un lado á poboación entre 30 e 39 anos. Neste contexto, a recomendación da especialista é a "prevención". Por exemplo, que se dea continuidade ao uso da máscara e que se reduzan as interaccións sociais na medida do posíbel. Por outra parte, a participante no comité alertou de que outro asunto a tratar será o que leve a analizar o resultado dos primeiros días de actividade do lecer nocturno nos distintos municipios. O permiso é para abrir até as 3 da madrugada pero nin todos os locais abriron nin hai que rebaixar a atención porque "o virus segue aí".
PRAZA_13111
Socialistas e nacionalistas admiten o carácter positivo de que a petroleira mexicana encargue barcos en Galicia, pero esixen coñecer os detalles dun pacto "paliativo"
Moita cautela. É a actitude que emanou este venres dende os dous grupos da oposición parlamentaria tras a sinatura, rodeada de solemnidade da, en verbas do presidente da Xunta, "alianza estratéxica" para a construción en estaleiros galegos de catorce remolcadores -sete íntegros e sete parciais- para a petroleira mexicana Pemex. Se ben tanto PSdeG como BNG concordan en que calquera operación que implique carga de traballo para o sector naval é positiva ambas formacións avanzan con pés de la á hora de valorar un acordo cuxo texto é unha incógnita. É por iso que o secretario xeral dos socialistas, Pachi Vázquez, optou por reclamar a través do Parlamento unha copia do asinado por Alberto Núñez Feijóo e o director xeral da compañía, Juan Suárez Copell, a quen non foi posible formular pregunta ningunha no acto oficial do pasado xoves "En principio, soa ben, pero hai que ler o acordo", di Vázquez que, no marco cunhas xornadas do seu partido sobre a pesca na Unión Europea, botou man do refraneiro para ilustrar a súa precaución. "Alí, na miña terra, hai un dito que di que cando a esmola é grande, ata o santo desconfía; e neste momento esta esmola é tan grande que fai desconfiar o santo, non?", ironizou. Retranca á marxe Pachi Vázquez coida que se os documentos reflicten "o que dixo o presidente" sería "un bo acordo" e terá "o aplauso do Partido Socialista". Pero "se houbese algunha dúbida, tamén o diremos", advirte. Pachi Vázquez: "Cando a esmola é tan grande, ata o santo desconfía; hai que ler a letra pequena e se é bo, aplaudirémolo" Aínda máis cauteloso se amosa o candidato do BNG á presidencia da Xunta. Francisco Jorquera arrefría a euforia presidencial por unha "noticia positiva, pero insuficiente, pois é meramente paliativa e non resolve os problemas" dun sector que, lembra, "dende o inicio da crise perdeu 9.000 postos de traballo". A encarga de Pemex, subliña, traerá consigo "como moito" uns 2.000 empregos, tendo en conta ademais que "estamos a falar de pequenos remolcadores, non de grandes petroleiros". E isto non é unha cuestión menor para Jorquera. Mentres Feijóo, de visita nunha escola infantil do Pino, mantiña que calquera estaleiro galego podería concorrer aos contratos o nacionalista non dubida que esta "carga de traballo temporal" irá parar "aos pequenos estaleiros da ría de Vigo" e non para as grandes factorías, "que non están especializadas en construír pequenos remolcadores". Neste contexto o candidato do Bloque desbota que o anuncio da Xunta "vaia repercutir nos estaleiros públicos de Ferrolterra" porque, malia ás declaracións do presidente, "estamos a falar de construción naval civil" e sobre Navantia Fene "segue a pesar o veto da Unión Europea". Así as cousas, o aspirante nacionalista á Xunta "congratúlase" do acordo con Pemex pero fai especial fincapé en que os problemas do naval seguen vixentes. Tampouco hai nada pechado, alerta, a respecto da posibilidade de que a petroleira mexicana se estableza no porto exterior de Punta Langosteira. "Abrir negociacións non significa feito ningún, ningún compromiso tanxible". "Gustaríanos que se concretase porque sería unha boa nova" pero polo momento, di, non hai nada pechado. Jorquera: "Estamos a falar de pequenos remolcadores, non vai repercutir nos estaleiros públicos de Ferrolterra" Onde si se mantivo e mesmo se acrecentou a euforia do presidente foi na sede do PPdeG onde o seu voceiro, Antonio Rodríguez Miranda, non aforrou eloxios para o "mérito" de Feijóo no "histórico anuncio" do acordo con Pemex. Neste contexto, Miranda reclámalles a PSdeG e BNG que sexan "igual de rápidos celebrando publicamente esta noticia" que cando "criticaron a súa xestación -en referencia á petición de explicacións pola viaxe de Feijóo a México en marzo, sen ningunha explicación oficial previa-". "O poderío do sector anval galego é anterior á chegada de Feijóo pero sen el podería non ter cristalizado este histórico acordo", asegura o conservador.
NOS_19605
Comparecen en calidade de testemuñas no xuízo polo accidente do tren Alvia dous veciños de Angrois que socorreron o maquinista, Francisco Garzón, após o accidente.
Un dos veciños que auxiliaron o maquinista Francisco Garzón despois do accidente do tren Alvia, o 24 de xullo de 2013, lembrou esta quinta feira na súa comparecencia ante a xuíza, Elena Fernández Currás, que este admitiu "culpa" mais xa entón sinalou que iso "xa o tiñan denunciado". Nunha breve declaración como testemuñas que durou perto de dez minutos, os dous veciños que axudaron nun primeiro momento o maquinista foron os primeiros en comparecer nesta sexta xornada do xuízo polo sinistro, no que morreron 80 persoas e 145 resultaron feridas. O primeiro deles, veciño de Angrois, fixo memoria ante as preguntas do fiscal para indicar que o primeiro que lle preguntou a Garzón é se houbera "algunha explosión", posto que el pensaba que se trataba "dun atentado". "E dixo que non, que nada diso, que fora culpa del [...] Dixo que iso xa o tiñan denunciado, que non se podía circular por esa vía a esa velocidade", destacou a testemuña. Neste senso, engadiu que o maquinista tamén se lamentaba por non ser el un dos falecidos e engadiu que cre que si se referiu ao daquela responsábel de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, pero que non lembra se mencionou que ía falando polo teléfono. O segundo dos veciños, que lembrou que se trataba dun día no que empezara a chover, apuntou que só escoitou dicir a Francisco Garzón que "quería morrer" após o sucedido "e nada máis". Pola súa parte, indicou que "nunca antes" se producira "un susto" nesa zona, a pesar de que uns trens "pasan un pouco máis rápido" e outros "máis amodo" pola curva da Grandeira de Angrois.
NOS_12664
O rock en galego transcendeu os seus propios límites hai tempo. O cartel do Galegote Rock é unha mostra: punk rock, kraut electrónico, hip hop vangardista, garaxe desfigurado. De practicamente todo existe e practicamente todo poderase ver e escoitar en Pontevedra do 25 ao 27 de abril.
Esta quinta feira, 25 de abril, é o intre do aperitivo. A partir das oito do serán na Taberna do Jazz estarán Ela e Dylan; ás nove no Diaño High Paw; e ás dez, na Sala Karma, Boyanka Kostova, trap. Na sexta feira, 26 de abril, o Sr. Anido e o seu garaxe marciano actuará en The Groove House a partir das nove da noite. Unha hora máis tarde, en El Pequeño, será Gancho Sanches o grupo protagonista. Mais o día grande do Galegote, festival organizado polo Concello de Pontevedra, será o sábado 26 de abril. A romaría, como toda boa romaría, comezará na sesión vermú. Marcelo Dobode estará no Campiño. Á unha, na rúa Sor Lucía, Pantis amosará a evolución ruidista da súa electrónica kraut e presentará cancións do seu inminente segundo disco. Xeración Sónica no Campiño e o picadiscos Manuele Caamagno, máis coñecido polo seu labor á fronte da Familia, na praza Méndez Núñez completarán a mañá. A tarde decorrerá toda nas Palmeiras. Comezará ás cinco co concerto de Grilo. Despois será a quenda de Chicharrón, que recollen parabéns críticos polo seu disco Cancións clínicas, dream pop escuro e poético. Oh! Ayatollah e o seu pop de guitarras para bailar amargos actuará ás sete. Unha hora despois, Malandrómeda exporá a súa maneira de retorcer o rap, entre o humor existencialista e as sonoridades experimentais. O Galegote Rock 2019 rematará ás nove da noite. Terbutalina, punk rock de alta velocidade e sarcasmo salvaxe, será a banda encargada de botarlle o peche a un festival que anegará Pontevedra de músicas en galego.
NOS_20779
Un filial galego ten opcións reais de se tornar equipa de Segunda División. A segunda escadra celeste saldou con empate sen goles o seu choque deste domingo, en Barreiro, face o Cartaxena.
Un 0-0 tampouco é un mal resultado. Calquera empate con goles en Cartaxena daría o billete ao Celta B para disputar a rolda definitiva que abre a porta da Segunda División, categoría da que acaban de baixar os únicos filiais que a disputaron este curso, o Barça B e o Atlético Sevilla. O Celta B -como tamén o fixo Fabril- está a callar un excelente exercicio e a mostrar a potencialidade da canteira galega. Este domingo, a equipa celeste mereceu un mellor resultado -tivo moitas máis ocasións do que o rival- e se non o conseguiu talvez fose polo maior oficio do Cartaxena, equipa senior a todos os efeitos. A afeizón celeste respondeu á envergadura do reto histórico que defronta o filial e o campo de Barreiro rexistou a súa mellor entrada de sempre, con por volta de 2.500 persoas. A eliminatoria vaise resolver en Cartaxena o próximo domingo. Celta B: Sotres, Kevin, Ros, Alende, Agus, Rai (Molina, min.88), Álex, Brais, Juan Hernández, Drazic e Dennis (Pastrana, min.84) FC Cartagena: Pau Torres, Mejías, Moisés, Zabaco, Álvaro, Cordero, Chavero, Dani Abalo (Owusu, min.61), Hugo Rodríguez (Rubén Cruz, min.59), Rubial e Aketxe (Zalazar, min.81) Árbitro: Sauleda Torrent, do comité catalán. Amonestou a Hugo Rodríguez, Zabaco, Jesús Álvarez, Chavero Campo: Barreiro, 2.500 espectadores
NOS_25989
A explosión de contaxios provocada por Ómicron mudou o panorama epidemiolóxico e ampliou o debate sobre o futuro da pandemia. Tanto a OMS como a EMA defenden que é cedo para comezar a tratar a Covid como doenza endémica e piden revisar a estratexia de vacinación.
Seguimos nunha pandemia, advirten as autoridades sanitarias internacionais ante o inicio dun debate que deberá madurar nos próximos meses antes de introducir un cambio de estratexia no control e seguimento dos casos declarados. É prematuro pensar en tratar a Covid como unha enfermidade endémica, conclúen desde a Organización Mundial da Saúde e a Axencia Europea do Medicamento. Á vista dos datos epidemiolóxicos, piden cautela aos Gobernos ante a tentación de ofrecer vaticinios apresurados. A incerteza segue a presidir a evolución do coronavirus, cunha alta transmisión da variante Ómicron e unha presión hospitalaria que cómpre vixiar de perto. Se do que se trata é de chegar a convivir co SARS-CoV-2 sen que supoña un problema de saúde pública é necesario tomalo en serio, e iso, din, pasa por frear a transmisión, polos efectos na saúde das persoas e na xestión da asistencia hospitalaria; polo impacto da Covid persistente e pola aparición de novas variantes, máis probábel cantos máis contaxios se produzan, e pola necesidade de revisar a estratexia de protección da poboación fronte ao coronavirus. Reforzos de máis "Non se poden administrar doses de reforzo cada tres ou catro meses indefinidamente". O toque de atención da EMA tras a súa primeira reunión do ano súmase á petición da OMS de crear vacinas que impidan os contaxios e non só protexan contra a doenza grave e a morte. Unha demanda que os expertos consideran máis doada de formular que de desenvolver, e que pon o foco nas farmacéuticas mais no seu afán de estipular novas doses de reforzo fronte á Covid coas vacinas de sempre, pendentes de chegar aínda á metade da poboación mundial. "É pouco probábel que unha estratexia de vacinación baseada en repetir doses de reforzo coa composición orixinal da vacina sexa apropiada e sostíbel", remarcan desde a OMS en sintonía coa advertencia da Axencia Europea do Medicamento, que apunta a conveniencia de comezar a definir unha estratexia de vacinación a longo prazo. "Aínda non temos datos con respecto a unha cuarta dose, e gustaríanos velos antes de facer calquera recomendación". Este aviso é resultado da súa preocupación "por unha estratexia que implica a vacinación repetida nun curto prazo". Lembra a EMA que os reforzos repetidos cada catro meses poden desembocar en problemas potenciais coa resposta inmunitaria. Estratexia a longo prazo Desde o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Federico Martinón-Torres, xefe do Servizo de Pediatría e membro do Comité Asesor de Vacinas da OMS, defende en declaracións a Nós Diario que a administración de doses de reforzo de forma indiscriminada para toda a poboación "non está xustificada". Aclara que "ninguén ten as respostas perfectas para esta pandemia" mais apela á necesidade de adecuar a estratexia de vacinación á epidemioloxía, ás circunstancias individuais das persoas e ao contexto de cada territorio. Neste sentido, sinala que o maior esforzo debe centrarse no poboación máis vulnerábel. "É posíbel que a necesidade de máis doses de reforzo no curto prazo vaia encamiñada aos grandes inmunodeprimidos", para quen Sanidade vén de aprobar unha cuarta vacina cinco meses despois da terceira. No resto da poboación, con tres doses, "é de esperar que a protección persista, e haberá que estudar, en función da evolución do virus, se cómpren doses de recordo ou é mellor esperar a unha nova xeración de vacinas". Sobre os tempos de espera entre doses, asegura que canto máis se espacen as picadas mellor é a resposta inmunolóxica e máis ampla a protección de cara a futuras variantes. "Pero tómanse decisións arbitrarias que buscan que ninguén quede sen protexer", precisa en relación á rebaixa continuada das esperas de seis a tres meses e mesmo a catro semanas tras superar a infección natural. Non é o momento de tratar a Covid como endémica, concorda. "É un escenario que se contempla mais non significa que chegado o caso deixe de ser grave", incide Martinón-Torres.
NOS_23833
O rexedor burgalés anunciou tamén a creación dun grupo de traballo en que se integrará a veciñanza na procura do "maior consenso posíbel" na construción do aparcadoiro subterráneo e o boulevard.
Após cinco xornadas de intensas protestas e da detención de máis de medio cento de persoas, a mobilización social fixo recuar ao alcalde de Burgos, o popular Javier Lacalle que anunciou a paralización temporal das obras. Aliás, asegurou que a administración local constituirá un grupo de traballo no que se integrarán tamén representantes veciñais na procura do "maior consenso posíbel" para determinar o futuro das obras. o rexedor burgalés, que aspira a continuar adiante coa construción do aparcadoiro subterráneo e o boulevar que orixinaron os protestos, viuse obrigado pola forte resposta popular a re-considerar a decisión e tomar en conta a opinión d@s veciñ@s. O barrio, no entanto, mantén o seu rexeitamento á construción que suporá un gasto público de máis de 8 millóns de euros.
QUEPASA_160
Vén de: Camariñas no lampexar do tempo (IV): Vila mariñeira consolidada. (...) Camariñas no lampexar do tempo (II): Camariñas na cartografía e documentación antiga. Camariñas no lampexar do tempo (I): A historia local como protectora do patrimonio.
Nun principio a parroquia de San Xurxo de Buría era toda ela rural ata a creación do núcleo costeiro de Camariñas ao pé do areal no que hoxe está asentado. Cando esta poboación comeza a consolidarse a partir do século XIV os seus habitantes dedicaranse case exclusivamente a actividades relacionadas co mar: pesca, marisqueo e comercio. Este xeito de vida diferente con respecto aos pequenos agrupamentos rurais do resto da parroquia, promoverá costumes singulares entre uns e outros veciños. En Camariñas a convivencia entre a xente labrega e a mariñeira dáse na mesma parroquia, algo que non sucede noutras vilas próximas da beiramar como Fisterra, Muxía ou Laxe, que a parroquia está formada case exclusivamente polo núcleo mariñeiro. Na parroquia camariñá o encontro entre estes dous mundo –o labrego e o pesco- vaise producir fundamentalmente arredor da igrexa parroquial, nos actos de tipo relixioso ou festivo. Estes dous mundos compleméntanse e precisa un doutro. En tempos pasados trocaban os seus produtos e deste xeito enriquecíase a base da súa alimentación. No que respecta ao sentir relixioso, o patrón da parroquia, San Xurxo, era unha advocación máis labrega, e a Virxe do Carme, vai ser máis da xente do mar. Por este motivo se funda no século XVIII a capela dedicada a esta virxe sobre o areal no que medrou a vila. A antiga parroquial de San Xurxo atopábase no lugar da Grixa, núcleo ao que lle deu nome, pero cando se constrúe o novo templo a finais do século XVIII, vaise facer nun soar arredado das casas, na denominada Cortiña da Igrexa, grazas ao aporte económico de Domingo Antonio Rodríguez Canosa, un emigrante que fixo fortuna en México, natural da Casa do Rego do lugar do Cotro. A igrexa illada aínda a podemos contemplar nalgunhas fotos antigas, situada a medio camiño entre a aldea e a vila. Desde esta chegábase a ela a través dun vieiro que atravesaba o Areal, nome que alude aos antigos terreos areentos situados próximos á praia. Antigamente o nome da parroquia sempre aparecía vinculado a Buría, e o topónimo Camariñas ligado exclusivamente á vila mariñeira, pero cando esta aumentou o seu espazo urbano, a denominación da parroquia comeza tamén a asociarse ao nome da vila. No Diccionario (1826-1829) de Sebastián Miñano aínda se percibe con claridade esta separación, pero poucos anos despois no Diccionario (1846) de Pascual Madoz, a parroquia aparece ligada a Camariñas, aínda que nos aclara que está formada por dúas entidades de poboación: a aldea de Buría e a vila de Camariñas. Nestes mesmos termos recóllese na Geografía (ca. 1928) de Carré Aldao, xa co nome do patrón en galego, que tamén nos fai a seguinte puntualización: "Puede dicirse que estas dos entidades [Buría e Camariñas], forman dos poblaciones, una la villa y otra la feligresía de Buria". Na Gran Enciclopedia Gallega, na década dos anos setenta do pasado século, a parroquia xa se denomina Camariñas, e ademais recolle que a igrexa está situada nesta localidade "La iglesia parroquial se halla situada en la villa de Camariñas, que a su vez es la capital del municipio". A Continuación cítanse todas as unidades de poboación que a forman, pero o topónimo de Buría xa non aparece, o mesmo sucede no Nomenclátor desa década. Esta substitución do antigo nome da parroquia polo actual de Camariñas provoca a desaparición do seu nome orixinal. Dado que Buría denominaba o conxunto da freguesía e non se corresponde co de ningún núcleo de poboación, deixa de estar presente na documentación oficial, e permanece tan só na memoria da xente, fundamentalmente na de máis idade, co cal o inexorable camiñar do tempo, conduce ao seu esquecemento. Porto pesqueiro e comercial en alza Porto de Camariñas co muíño de vento ao fondo- Arquivo Vidal A actividade pesqueira e comercial do porto de Camariñas xa vén de tempos medievais. No século XVI hai constancia destas actividades en varios dos pequenos portos deste noso litoral, entre eles o de Camariñas, que mantiñan un comercio con outros portos tanto do Mediterráneo coma do Cantábrico. Tamén existen referencias sobre a salgadura de sardiña nestas nosas vilas mariñeiras. A pesca do cerco para a captura da sardiña xa se practicou nas nosas costas desde moi antigo, pero será a mediados do século XVIII, cos datos que nos achega o Catastro de Ensenada (1753), cando dispoñamos dunha información máis ampla e precisa sobre este tipo de pesca. Esta arte supoñía unha grande inversión tanto no custe das embarcacións como nos aparellos necesarios que se utilizaban, por este motivo non era unha iniciativa dun só propietario, senón que se constituía unha sociedade formada por moitos membros, a maioría de xente do mar, pero tamén había outras persoas de fóra deste sector. Cada participación denominábase quiñón e a ganancia de cada participante correspondíase co número de quiñóns dos que dispuxese, tanto con respecto ao barco como aos aparellos. No porto de Camariñas había dous cercos, para os que se utilizaban dúas grandes embarcacións de 300 quintais cada unha, denominadas trincados ou galeóns: o San Jorxe (sic) e o Nuestra Señora del Monte. O nome deste último reflicte a enorme devoción cara a esta virxe. Por estes anos xa existía o culto á Virxe do Carme, pero aínda non acadara a suficiente forza para substituír á Virxe do Monte, de moita máis tradición entre a xente desta parroquia. Este tipo de pesca de cerco practicábase no porto camariñán entre os meses de setembro e decembro, ademais dos dous grandes barcos tamén se empregaban durante a tempada o resto das pequenas embarcacións como apoio. O reparto dos quiñóns facíase deste xeito, tal como se recolle no citado Catastro de Ensenada: "por razon de Aparejo un quiñón, y por razon de la persona otro, y si alguno tiene dos o mas quiñones de dho Aparexo lleba otros tantos de la referida pesca a proporcion y de mas a mas el quiñon de la persona". Cada quiñón equivalía a 200 reais e o rendemento do San Jorxe era de 14 000 reais e o de Nuestra Señora del Monte de 16000 reais. A flota existente neste porto por estes anos completábase con oito pataches destinados ao transporte de sardiña ao País Vasco, que retornaban cargados de ferro que vendían á volta en portos polos que pasaban. A súa tonelaxe estaba comprendida entre as 8 e 30 tm e a tripulación que levaban oscilaba entre os 4 e 8 mariñeiros. Tamén había 17 lanchas que se dedicaban á pesca do congro. A pesca da sardiña pasaba por anos de abundancia, combinados con outros de extrema escaseza, que producía graves crises económicas nos portos que se dedicaban case en exclusiva á captura desta especie. Cara aos anos corenta do século XIX, a falta de sardiña provocou a paralización das fábricas de salgadura que había en Camariñas e detivo tamén o comercio que se dedicaba á exportación deste tipo de peixe. Madoz, no seu Diccionario, indícanos os motivos que el considera causantes da desaparición da sardiña nesta ría de Camariñas: "La abundancia de sardinas que en tiempo no muy lejano se encontraba en esta ria, era una riqueza que la codicia ha hecho desaparecer, hallándose hoy paralizadas las fáb. de salazón que ocupaban un crecido número de brazos que deben esta desgracia á la poca inteligencia, cuando no abandono, de las autoridades que estaban obligadas á conservar la pesca y reprimir los abusos que en ella se hacia". Como podemos comprobar, hai máis de 170 anos xa había persoas que alertaban sobre prácticas de pesca que esquilmaban o mar e que se queixaban da cobiza humana que chegaba a provocar a desaparición de especies, como a sardiña, fundamentais para a supervivencia de moitas familias da nosa costa, mentres que as autoridades que deberían controlar estes abusos ollaban para outro lado. Despois de tantos anos o problema non se resolveu, senón que se agravou con máis especies en perigo de extinción e un mar máis contaminado. Xan Fdez. Carrera. Artigos da serie Camariñas no lampexar do tempo Camariñas no lampexar do tempo (II): Camariñas na cartografía e documentación antiga. Camariñas no lampexar do tempo (I): A historia local como protectora do patrimonio. Outros artigos de Xan Fernández Carrera "A historia da Costa da Morte do século XX resultaría moi difícil de escribir sen consultar a obra de Ramón Caamaño e José Vidal". A Ponte do Porto, do esplendor á decadencia. A orixe da vila da Ponte do Porto. Patrimonio e turismo na Costa da Morte. Outros artigos históricos de Suso Jurjo
NOS_4926
Segundo o Goberno chinés, desde o inicio da pandemia o país asiático sumou 116.903 positivos de coronavirus; segundo os datos da OMS, serían só 200.000 casos máis que na Galiza.
O Goberno da China está a aplicar estes días fortes restricións para deter o que xa se converteu no maior gromo de Covid-19 desde que se detectara o primeiro caso en Wuhan hai xa máis de dous anos. Así, segundo informa a axencia Reuters, varias provincias e cidades chinesas veñen de endurecer as medidas de contención da pandemia da man da política de "tolerancia cero" co coronavirus do Goberno que preside Xi Jinping. O coronavirus trastorna os plans do estudantado galego na China Segundo os últimos datos achegados polas autoridades do país, nas últimas horas detectáronse perto dun milleiro de novos casos, unha cifra que a Organización Mundial da Saúde (OMS) eleva a 14.835. A China fora o maior exemplo de contención do coronavirus por mor da imposición de duras restricións desde o primeiro momento para evitar o seu espallamento, e así o corroboran os datos da propia OMS: até o 31 de decembro de 2021 só se rexistraran 131.780 positivos, case a metade que na Galiza naquela altura. Porén, e de novo segundo a OMS, a irrupción da variante ómicron provocou que o país asiático multiplicase por seis os casos no que vai de 2022, alcanzando un total de 761.907 a día de hoxe —na Galiza son 521.615 na actualidade—. O Estado español xa supera en número de contaxios notificados a China Aliás, a OMS ten constancia de 9.482 persoas falecidas con Covid-19 na China desde decembro de 2019, malia que as autoridades chinesas reducen a 116.903 os contaxios totais e a 4.636 as mortes. En consecuencia, do mesmo modo que cando principiou a crise sanitaria, o Goberno chinés está a adoptar medidas drásticas como o confinamento de até 17,5 millóns de persoas residentes en Shenzen, o centro tecnolóxico e económico do país. A poboación desta rexión deberá ficar nas súas casas, cando menos, até o 20 de marzo, data até a que tamén se decretou o teletraballo, o fechamento dos negocios non esenciais e fortes restricións no transporte público.
NOS_8796
'Oceanoe, travessia polo mar das Antelas' é un proxecto de libro-disco que nace abrigado pola taberna cultural Arca da Noe (Vilar de Santos) e pola súa responsábel, Noemí Vázquez, xunto co músico Sérgio Tannus, as creadoras Irene Veiga e Xico Paradelo ou a realizadora Lucía Cortiñas, entre outras. Un traballo narrativo, musical e audiovisual que busca recuperar os lugares da Limia e, ao mesmo tempo, fuxir do parón que provoca a crise sanitaria a través da "necesidade de ter algo físico".
-Como nace e en que vai consistir este proxecto? A idea xorde logo destes meses sen programar na Arca da Noe. Estabamos a facer un cento de concertos ao ano e, de repente, paramos. Despois do confinamento, até os últimos meses que foi cando realmente entrou o virus en Vilar de Santos e na Limia máis duramente, non cesamos, loxicamente estivemos parados cando non había outra. Así que o proxecto naceu un pouco por ese motivo, por estar todo tan parado e pola necesidade de que saíse algo físico, que dixeramos "fixemos isto", xa que tiñamos que cesar e non sabiamos a onde podía ir todo. Por casualidades da vida, ademais, Sérgio Tannus está a vivir por aquí, en Xunqueira de Ambía, montou un estudio de gravación e unímonos; ao mesmo tempo tamén a Inés, da Banda da Loba, está a vivir por aquí; Patri das Adufeiras do Salitre é da Limia... E outra xente que forma parte da cuadrilla da Arca da Noe. É un pouco loucura pero imos tentar arranxar o diñeiro e levalo á fronte, porque vivimos no rural e queremos seguir aquí e continuar a facer programación e difusión cultural. -No proxecto de libro-disco, como vai ser a narración? E quen vai participar nese CD? Trátase dun conto que segue a liña da literatura fantástica e que vai parando por diferentes puntos da lagoa, unha lagoa imaxinada, que existiu pero que xa non está. Iremos facendo unha ruta que ten unha serie de paradas onde se van gravar videoclips das músicas que tamén van colaborar no traballo final. Son 15 cancións nas que aparecen medio cento de músicos de diversas formacións mesturados entre eles. É xente especial para a Arca e para nós. Estarán artistas como a Ugia Pedreira, Marcelo Dobode e Carolina das Adufeiras; noutra canción están Uxía, Luís Pastor e Lourdes Guerra; Eliseo Parra e Davide Salvado; Selina da Piedade e Xosé Lois Romero e Ana Santos; Najla Shami... E logo está Lucía Cortiñas que se encarga da gravación dos videoclips, que iremos subindo a Youtube e que consiste nas rodaxes con eses cantores e cantoras que van formar parte do libro-CD. O proceso conta coa estancia dos músicos unha fin semana aquí, que se reparte entre a gravación da canción no estudio de Sérgio Tannus e na rodaxe do vídeo nalgún lugar da contorna. Por exemplo, no segundo día de gravación achegámonos á Torre da Pena (Xinzo de Limia). -Como e cando vai ser a campaña de mecenado? Lazámola o 7 de abril a través da plataforma Verkami. As recompensas que imos ofertar son moi variadas porque contamos coa colaboración de asociacións, de fundacións, de librarías, de persoas que se dedican ao deseño en diversas formas... Por exemplo, unha das recompensas, das máis chistosas, será un saco de patacas e mais o libro-disco; o convite a unha hamburguesa de boi na Arca e unha cervexa de Carabuñas será outra; tamén unha fin de semana na Arca, coa durmida, o convite ao concerto e xantar no local. Ademais, desde a Fundación Vicente Risco doáronnos lotes de libros para outra recompensa; Através Editora de AGAL (Associaçom Galega da Língua) tamén colaboran dese modo; ou aCentral Folque... Outra recompensa é unha tatuaxe cunha rapaza da zona; uns sacos de tea bordados por Lumecú, que é outra das artesás e creadoras da contorna; tamén colabora o Festival de Poesía do Condado, de Salvaterra de Miño... O valor das recompensas é igual de variado, desde 35 euros, por exemplo, o xantar na Arca e mais o libro-disco ou o saco de patacas xunto co libro-disco.
NOS_14312
A figura de Carlos Velo (Cartelle, 1909-Cidade de México, 1988) asoma poliédrica. Frustrado pola Guerra Civil en canto ao cineasta que tería desenvolto un país de imaxes normalizadas, como anticipou en 1936 no maxistral documental Galicia, propuxo en 1956 un Centro Cinematográfico Galego, e xa en 1985 deseñou o que nomeou Centro de Capacitación, Produción e Arquivos da Imaxe, igualmente frustrados. Mestre de cineastas en México, autor do docudrama referencial, Torero! (1956) e máis da ficción Pedro Páramo (1966), presidiu desde 1961 a Delegación do Consello de Galiza, e en 1962, desde a revista Vieiros escribiu a Carta ó Fato Brais Pinto, o xermolo simbólico que, dous anos despois, daría na creación da Unión do Povo Galego (UPG).
Rematado o bacharelato en Ourense en 1925, graduouse como mestre na Escola Normal, onde impartían persoeiros como Otero Pedraio e Vicente Risco. Na cidade fixo amizade cos irmáns Lourenzo, e comezou a súa afección ao cine, como espectador e como membro dun peculiar equipo de filmadores con Augusto Pacheco, Antonio Román e o propio Xaquín Lourenzo "Xocas", reunidos por veces no estudio fotográfico do pai do primeiro, José Pacheco. Vaise a Madrid e matricúlase en Bioloxía, a súa verdadeira paixón, aínda que o seu pai, médico, prefería que seguira a tradición. Licenciase en Ciencias Naturais en 1932, foi profesor auxiliar de entomoloxía na Universidade de Madrid e impartirá clases no instituto de ensino medio Lagasca. No Madrid deses anos, Carlos Velo interésase pola acción política e o cine, a través da 'Residencia de Estudiantes' (do que era director o seu futuro sogro, Luis Álvarez Santullano) e do cine club Español, activo entre 1929 e 1931 por iniciativa de Buñuel, Giménez Caballero e o círculo de La Gaceta Literaria. Cofunda en 1933 o cine club da Federación Universitaria Escolar (FUE), asociación da que era membro e participaba nas 'Misiones Pedagógicas' da Institución Libre de Enseñanza. Chegaría a ser comisario xeral da Unión Federal de Estudiantes Hispanos, que agrupaba todas as federacións universitarias. Como cineclubista proxecta en Madrid o polémico filme La Edad de Oro e fai amizade con Luís Buñuel, co que xa tivera un curioso contacto anos atrás a través das formigas de Un perro andaluz (1929): o director aragonés pediralle desde París, formigas españolas ao Museo Nacional de Ciencias Naturales, e o encargo recaeu en Velo. Chegaría a ser comisario xeral da Unión Federal de Estudiantes Hispanos, que agrupaba todas as federacións universitarias Durante a República doutorouse cunha tese sobre a linguaxe das abellas, filmándoa en 16 milímetros coa colaboración de Guillermo Fernández Zúñiga. Fóralle rexeitada en primeira convocatoria por presentala en formato cinematográfico. O comezo como autor de curtametraxes En 1934 comeza a súa andaina como autor de curtametraxes documentais, con Fernando G. Mantilla como produtor (pese a figurar nos créditos como codirector), estreándose con La ciudad y el campo e, ao ano seguinte, Felipe II y El Escorial, Tarragona (Tarraco Augusta), pero sobre todo o experimental Infinitos e o antropolóxico Almadrabas, que, a xuízo da crítica da época estaban entre as curtas máis cualificadas da República. Xa en 1936 fará a súa obra mestra Galicia (co título alternativo de Finis Terrae), premiado na Exposición Internacional de París de 1937, cun xurado presidido por Buñuel e no que tamén estaba Max Aub. Carlos Velo deixa España en febreiro de 1938 e ata novembro filmará no norte de África a longametraxe documental Romancero marroquí, da que fai unha primeira versión coa idea de rematala nos estudios UFA de Berlín, pero chegados a Tánxer, Velo e a súa dona, Marilyn Santullano, pasan á zona republicana na Península e de alí a Francia en febreiro de 1939, onde quedará internado no campo de acollida de Saint-Cyprien, mentres a súa dona ficaba agochada en París. Por fin embarcan no trasatlántico Flandre cara a México, a onde chegan polo porto de Veracruz. Mentres, Romancero marroquí estrearáse cunha montaxe amañada á que se lle engadiron novas secuencias máis acorde co réxime franquista e a súa política colonial. En México recuperará o cine como eixo vital, sen esquecer a súa condición de biólogo. En xullo de 1939, Velo asume a secretaría xeral do Comité Técnico de Ayuda a los Republicanos Españoles. En 1942 colaborará na fundación da revista Saudade xunto ó arquitecto Xosé Caridad Mateo, o poeta Florencio Delgado Gurriarán e o profesor Ramiro Illa Couto. As súas inquedanzas literarias xa tiveran bo reflexo no excelente relato Galicia, paisaje de sangre, publicado en 1940 na revista España Peregrina. Entre 1940 e 1944 imparte bioloxía no Instituto Politécnico Nacional e na Universidade de San Nicolás de Hidalgo, en Morelia, pero abandona o ensino deprimido pola repentina morte da súa dona, que o deixa con dous fillos, Teresa e Luís. Retoma o contacto co cine e, en 1944, gaña como coguionista un premio Ariel por Entre hermanos, filme de Ramón Peón, que Velo non puido dirixir por carecer de licenza en México. O propio Velo filmará algúns monográficos, como Un día en la radio (1947) En 1946 o xeneral Juan F. Azcárate encárgalle dirixir o Noticiero Mexicano Ema, de exhibición obrigatoria nos cines, no que estará ata 1953 coordinando varios equipos de produción para informacións e reportaxes variadas. O propio Velo filmará algúns monográficos, como Un día en la radio (1947). En 1952 coñece ao produtor independente Manuel Barbachano Ponce, que vén desde Norteamérica disposto a renovar o cine do seu país e fai Tierra del chicle. Barbachano merca o Noticiero Mexicano e proponlle a Velo o semanario Tele-Revista e máis tarde o cultural Cine-Verdad, un proxecto que entusiasma ao realizador galego. Poñen en marcha a longametraxe Raíces, que Velo non poderá filmar pola oposición do Sindicato de Trabajadores de la Producción Cinematográfica e aparecerá asinada por Benito Alazraki. A película, de forte contido antropolóxico, recibe un premio en Cannes e, co paso dos anos, a critica coincidirá en considerar a Velo como o seu verdadeiro autor. Nestes primeiros anos de exilio non perde contacto co entorno galego e, xunto a Luís Soto e outros persoeiros, axuda en 1953 á fundación do Padroado da Cultura Galega, que despois presidiría ata mediados dos anos sesenta. Entre as súas actividades estará a emisión radial semanal Hora de Galiza, a celebración do Dia de Galiza e a revista Vieiros, cofundada por el e vixente en catro números entre 1959 e 1968. En 1956 dirixe a súa primeira longametraxe Torero!, para moitos a orixe do formato 'docudrama' por mesturar documental e ficción arredor do espada Luis Procuna. Presentada en Cannes e Venecia acada os parabéns de críticos como Sadoul e Truffaut ao tempo que lle daría sona internacional, recibindo numerosos galardóns, entre eles unha preselección para o Oscar. Segue a traballar para a produtora de Barbachano en Nazarín (L. Buñuel) e Sonatas (Bardem), mentres prepara o seu seguinte proxecto, a ficción Pedro Páramo, estreada en 1966 despois dunha traballosa xestación de seis anos. Recibida con polémica, apostará por un cine máis lixeiro a partir de casar en 1966 coa produtora Angélica Ortiz. Ata 1969 fará catro comedias —Don Juan 67, Cinco de chocolate y uno de fresa, Alguien nos quiere matar e El medio pelo— que tiveron unha acollida irregular no mercado interior. O país sempre presente Galicia segue moi presente na súa actividade. En abril de 1961 pasa a presidir a Delegación do Consello de Galiza en México, desde a que manterá posturas máis radicais que as do grupo de Buenos Aires. Divorciado, regresa ao documental e traballa para o sexenio do presidente Echevarría dirixindo en 1971 o Centro de Producción de Cortometraje, onde impulsará a renovación do cine azteca. En 1972 funda o Centro de Capacitación Cinematográfica, inaugurado tres anos despois, tendo como presidente de honra a Luis Buñuel. Segue a facer documentais cos seus equipos, como Universidad comprometida e Homenaje a León Felipe e, desde España, comezan a chegarlle os recoñecementos. Vivirá co sexenio Portillo o período máis doloroso da súa estadía en México. Coa irmá do presidente, Margarita Portillo, á fronte da política cinematográfica, Velo será un dos represaliados baixo a falsa acusación de malversación de fondos. Ingresa na cadea no verán de 1979 e non sairá ata finais dese mesmo ano, libre de cargos logo de provocar un forte movemento solidario en México, encabezado por Buñuel, e tamén en Galicia. No sexenio De la Madrid, Velo reincorpórase á vida institucional mexicana. En 1984 noméano subdirector de medios audiovisuais no Consejo Nacional de Ciencia y Tecnología, que el mesmo axudara a fundar. Sen deixar de traballar no audiovisual, en 1987 pasa por varias operacións cirúrxicas para aliviar un cancro que finalmente o leva á morte o 1 de marzo de 1988. O audiovisual mexicano sen excepcións declarouse en loito, salientando a súa contribución ao desenvolvemento cultural e cinematográfico do país ao longo de case medio século enraizado alí. Sempre en Galiza Rematando os anos 50 do pasado século, Carlos Velo intentou levar a imaxes a magna Sempre en Galiza, de Castelao. Sobre un exemplar da primeira edición de 1944, partillou as súas 423 páxinas en 781 secuencias repartidas en catorce bloques temáticos, pero ao cabo non puido ser. Daquela estaba a traballar co ideólogo do Neorrealismno italiano, Cesare Zavattini, no proxecto México mío!, do que chegou a recoller varias filmacións, ao cabo frustradas. Como tentou recrear tamén unha biografía do propio Castelao. O Atlántico non foi barreira para desconectalo dunha Terra que sempre levou no corazón. Co filme Galicia non só deixou un fermoso e reivindicativo poemario visual no que implicou a Dieste, Castelao, Bal e Gay e 'Xocas', tamén acadou un lugar de honra na historia do documentalismo da República, a carón do crítico Fernando G. Mantilla en labores de produción. A fenda do 36 botou moreas de esquecemento sobre a súa figura, incluíndo a desfeita total ou parcial dos seus documentais, dos que nin Galicia se conserva enteira. Felizmente comezou a restitución da súa memoria en 1976, cando o rabadense Chema Prado, xusto após de incorporarse á Filmoteca Española que dirixía Florentino Soria, promoveu unha homenaxe polo seu pasado histórico no cine español e polo seu labor, daquela, á fronte da mexicana escola Centro de Capacitación Cinematográfica. Sumouse ao recoñecemento o Círculo de Escritores Cinematográficos. Ao ano seguinte, as V Xornadas de Cine de Ourense, por iniciativa de Luís Álvarez Pousa, o primeiro en recuperalo para o país, promoven unha primeira honra a prol de Carlos Velo, que, coa súa presenza, apoiou a urxencia dun cinema propio. Aínda recibirá novos recoñecementos, como o premio Mestre Mateo da Xunta de Galicia en 1983 Mesmo o Ministerio de Cultura español encárgalle en 1982, a serie Los españoles republicanos en el exilio para unha exposición arredor do tema. Aínda recibirá novos recoñecementos, como o premio Mestre Mateo da Xunta de Galicia en 1983 e a homenaxe nas Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia, Xociviga, do Carballiño en 1985, nas que puido compartir sensacións agradecidas a carón dos daqueles noveis Chano Piñeiro e a súa curta Mamasunción e Xavier Villaverde coa súa videoarte Veneno Puro. Foi a súa derradeira estadía entre nós, xa coa saúde quebrada. Desde aquela, a presenza de Carlos Velo xa é parte da realidade audiovisual de Galicia. Á publicación en 2002 da biografía As imaxes de Carlos Velo -coeditada en México pola UNAM en 2008-,e máis a Fotobiografía Carlos Velo. Centenario. 1909-2009, ambas da miña autoría, sumouse Carlos Velo: itinerarios do documental nos anos trinta, de Fernando Redondo Neira, en 2004; A derradeira viaxe a Galiza. Carlos Velo. Xociviga 1985, de Xosé Manoel Rodríguez, en 2018, e aportes ensaísticos de Margarita Ledo Andión, Emilio C. García, Chema Paz Gago, e o mencionado Álvarez Pousa entre outros, que están a poñer en valor ao intelectual de Cartelle, sé da súa Fundación, creada en 2017, que, ao tempo que establece pontes co seu país de acollida, céntrase "na investigación e na difusión da obra do cineasta e no estudo, difusión, formación e promoción das artes da imaxe aportando ao corpus bibliográfico as obras Carlos Velo. A volta a Cartelle. Fotografías 1967 (2017), Memoria erótica (2018) e A caixa do correo (2022), en deseño de Xosé Enrique Acuña.
NOS_17576
Falamos con Tania Fuegho, a cantante de Mazaricos que coñecemos grazas ao Luar e que a semana pasada recibía o Premio á mellor Solista Feminina española da radiofórmula arxentina Elegidos45 por un tema en galego, 'Estrelas por compartir'.
- Que significou para ti o premio en Arxentina?- Significou todo, sinto un grande agradecemento cara a ese público que me votou, porque foron eles quen me elixiron, semana a semana, desde o mes de marzo, estiven 30 e pico semanas entre os 10 mellores. - Como pode ser que chegaran alá as túas cancions cando aínda non tes publicado disco? - Pois non o sei. Un día chegoume un chío no Twitter de que o meu tema estaba soando nunha radio arxentina e á semana seguinte, chegoume que acaba de entrar no ránking dos 45 primeiros, e iso é a nivel mundial. E non sei como chegou alá, porque aínda estaba sen editar, o audio nin sequera era editado, senón que era sacado dun vídeo de Youtube. A persoa que o escoitou ao lado do charco debeulle gustar moito porque sacou o audio e mandouno á radio, porque son os propios ouvintes os que mandan tamén os temas, non só os artistas. A verdade é que foi unha historia que me colleu de sorpresa. - Agora xa podes iniciar carreira alá.- Pois si, terei que coidar ese público que me votou semana tras semana. - Ti agora mesmo tes publicado un maxisingle.- Si, con tres temas en galego. Agora ando entre Galiza e Barcelona para gravar, vai ser un disco moi pop, pero xa en castelán, aínda que vai haber temas en galego tamén, obviamente, nunca me vou desvincular das miñas raíces. Teño que seguir cantando en galego para eses 14.000 persoas que me votaron en Arxentina. Iso xa che pon os pelos pinocho só de pensalo! - Cres que tivo que ver no éxito a emigración galega?- Obviamente, iso tivo que influír moito. Supoño para calquera, aínda que sexa neto de galegos, escoitar alguén cantar en galego tívoos que atraer dalgunha maneira. - Como empezaches a cantar?- Non me acordo, creo que xa cantaba na barriga de miña nai (risas). Cantei sempre, eu poñíame diante do espello e cantaba de todo. "Son de Estrelas pariume, pero quen me criou foi Luar" - Que é o que che gustaba cantar?- De pequena era unha paixoada de Rafaella Carrá, que tiña un programa de televisión. E logo cando saíu Mónica Naranjo á palestra xa foi a miña artista máis idolatrada. - Cal foi a primeira vez que cantaches en público?- Foi aos 14 anos, eu queríame presentar aos concursos que había e meu pai non me deixaba, e un día na festa da aldea díxenlle aos da orquestra se me deixaban subir a cantar, e foi a miña primeira vez en público. Cando baixei, meu pai estaba chorando coma unha madalena e desde entón meteume en clases de canto e foi cando me empecei a formar. - Logo a TVG supuxo un importante empurrón para ti. - Foi un gran trampolín, porque no 2007 presenteime a un concurso que se chamaba Son de Estrelas, onde quedei finalista, e despois a raíz diso, eu sempre digo que Son de Estrelas pariume, pero quen me criou foi Luar. Comezaron a chamarme como artista convidada, facendo versións, pequenas cousiñas, até convertirme no que hoxe son, que é grazas a eles, ao seu apoio. - Fálanos do teu próximo disco. - Aínda non podo falar diso. Estou gravando en Barcelona, con temas en castelán e andamos compoñendo e buscando cousas que lle poidan gustar á xente, exprimindo moito o corazón para facer letras coas que a xente se identifique. Pero de momento non podo desvelar nada diso. - Cando sairá ao mercado?- Aínda non hai data. Sempre digo que facer un disco non é facer unha parede de tixolo. Hai uns procesos, e leva tempo. - Ti tamén compós e escribes?- Ultimamente tamén estou escribindo, até agora sempre interpretaba as letras dos demais, que tiña un letrista marabilloso, pero agora estoume poñendo as pilas doutra maneira. Xa teño dúas composicións propias. - Ademais de Mónica Naranjo cales son as túas referencias musicais?- Realmente o que mamei desde pequena foi Mónica, pero gústanme as grandes voces, como Celine Dion, Pastora Soler, Malú... A verdade é que non lle fago ascos a nada, desde os Beatles até a música clásica. Todo che achega algo, todo te enriquece.
PRAZA_17629
O Goberno galego leva máis de medio ano sen actualizar o seu rexistro de convenios obrigado pola lei de transparencia, no que os dous únicos publicados nos últimos meses fórono tras peticións de Praza.gal
Transparencia pasiva só baixo demanda activa. Esa é a liña de actuación da Xunta desde finais do pasado ano, data desde a que o Goberno galego non volveu facer público por iniciativa propia, como lle esixe a súa propia Lei de Transparencia, ningún dos centos de acordos que asina cada mes con outras administracións, empresas ou asociacións. No que vai de ano a web do rexistro público de convenios, na que deben aparecer todos eses acordos que asina acotío, só amosa dous, e os dous foron alí colgados só despois de que os solicitase Praza.gal a través de senllas peticións expresas de transparencia. O Goberno galego leva máis de medio ano sen actualizar o seu rexistro de convenios obrigado pola lei de transparencia, no que os dous únicos publicados nos últimos meses fórono tras peticións de Praza.gal En 2016, por exemplo, a Xunta asinou un total de 1.632 convenios con todo tipo de entidades, boa parte deles cun custo económico ou unhas obrigas determinadas para a Administración galega. En 2006 o bipartito de PSdeG e BNG estableceu que a través dunha páxina web calquera cidadán puidese coñecer o concepto e o importe de cada acordo, pero para acceder a cada texto íntegro había que solicitalo de xeito expreso. En 2016 o PP aprobou unha nova Lei de Transparencia autonómica que estableceu que ese rexistro de convenios debe facer público o texto íntegro de todos os acordos e a memoria económica que os xustifica. Pero a aplicación dese precepto está a acumular importantes demoras. Incluso nos convenios que divulga a Xunta pode ocultar partes de xeito discrecional, como fixo ao esconder que o centro de drons de Rozas podería afectar a unha ave en perigo de extinción, dato que Defensa non tivo problema en divulgar A lei non estableceu prazos para esa publicidade activa, polo que na práctica as reiteradas demoras da Xunta en actualizar ese rexistro fan que a situación actual sexa similar á do bipartito. Para ter acceso a un convenio hai que solicitalo e agardar. E incluso así, a Xunta pode ocultar partes do texto de xeito discrecional, como fixo cun convenio para o centro de investigación de drons en Rozas do que ocultou que o complexo podería afectar a unha ave en perigo de extinción, dato que pola contra non tivo problema en divulgar o Ministerio de Defensa. O rexistro de convenios leva meses sen actualizarse e os últimos acordos colgados nel de xeito sistemático datan de decembro do ano pasado. Ante esa lentitude, neste tempo Praza.gal reclamou ter acceso a dous acordos concretos dos centos asinados nestes meses a través doutra vía distinta á da web do rexistro de convenios, a de formular unha solicitude expresa de acceso a información pola vía de transparencia. En maio este diario reclamou o convenio asinado o 22 de xaneiro entre a Vicepresidencia da Xunta e a Secretaría de Estado de Xustiza en materia de formación de diverso persoal da Administración de Xustiza. E Este mesmo mes de xullo este diario tamén solicitou ter acceso ao convenio asinado o 29 de maio coa empresa Indra para a cesión a esta dun espazo na Cidade da Cultura. A resposta ás dúas solicitudes directas de información por parte do Goberno galego foi a de publicar aos poucos días eses dous acordos na web do rexistro público de convenios. Eses dous son os os únicos convenios que alí figuran desde decembro do ano pasado. A lectura dos convenios permite comprobar que o seu texto é o suficientemente ambiguo como para non resultar problemático para o Goberno galego Por outra banda, a lectura dos dous convenios permite comprobar que o seu texto é o suficientemente ambiguo como para non resultar problemático para o Goberno galego. O convenio con Indra, por exemplo, contempla que a empresa pague un alugueiro polo espazo da Cidade da Cultura que ocupe o seu Centro de Excelencia en Tecnoloxías Innovadoras Sociosanitarias (CETISS), pero non se especifica o importe, que se remite a unha tramitación posterior. Compromisos de Indra para ocupar un espazo na Cidade da Cultura recollidos no convenio asinado coa Xunta Nos acordos de Sanidade coa multinacional Medtronic o Sergas divulgou a parte xenérica do convenio, pero ocultou os anexos que especificaban gastos para as arcas públicas Non é a primeira ocasión, non obstante, que o Goberno galego pon en práctica esta mecánica, dando en divulgar a parte máis ou menos xenérica dun convenio e relegando a un trámite posterior os detalles a través de engádegas ou anexos. Mostra disto son, por exemplo, os acordos pechados polo Sergas coa empresa estadounidense Medtronic, que permiten á compañía multinacional testar algúns dos seus produtos e servizos en hospitais públicos. Como revelou Praza.gal, a Consellería de Sanidade si publicou a parte xenérica pero non fixo o mesmo cos "anexos" correspondentes ás operacións acordadas para cada hospital, documentación que seguiu ocultando mesmo cando lle foi solicitada formalmente pola Asociación de Pacientes do Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS). Mentres que a parte pública do convenio sinalaba que o acordo non tiña custo económico para a Administración, os anexos si especificaban que a sanidade pública puña cartos e persoal dos seus centros. Neste caso, ademais, a Consellería que dirixe Jesús Vázquez Almuiña deu en saltar "un paso esencial" da lei de transparencia estatal, segundo ditaminou a Comisión de Transparencia de Galicia.
NOS_29468
"Indómita", "rebelde", "perversa", "insolente" son algúns dos adxectivos escollidos pola prensa portuguesa para retratar a escritora Agustina Bessa-Luís, vulto ineludíbel da literatura do país que morreu esta segunda feira, 3 de xuño en Porto, aos 96 anos. A autora da fundamental A Sibila (1953) deixa unha valoradísima obra narrativa.
"Unha das primeiras e máis feroces obras feministas da literatura portuguesa", a dicir da crítica Joana Emídio Marques, A Sibila é o romance que consagrou a Bessa-Luís. "O humor e a intelixencia unidos teñen todo para resistir ao tempo", dixo no limiar á última edición do libro, en 2017, o escritor Gonçalo M. Tavares. Novela de iniciación protagonizada por unha adiviña, hai estudosos que lle atribúen a superación do enfrontamento entre neorrealismo e modernismo que, na altura, estruturaba as letras lusas. Mais non foi esa a única peza fulcral da autora. A súa traxectoria, recoñecida con innúmeros galardóns -aínda que chegou a afirmar irónica preferir o Nobel da Paz ao de Literatura-, inclúe As Fúrias (1977), Fanny Owen (1979), Vale Abraão (1991) ou a triloxía O Princípio da Incerteza (2001-2003). O labor literario de Bessa-Luís serviu en varias ocasións de materia ao cinema do se cadra máis importante cineasta portugués, Manoel de Oliveira. Francisca (1981), O convento (1995) ou Espelho Mágico (2005) foron tres das sete longas que o director apoiou nos libros de Bessa-Luís. Aínda este ano Rita Azevedo estreou A portuguesa, adaptada dun relato de Robert Musil pola propia Agustina Bessa-Luís. Irredutíbel e nada obvia, á marxe de correntes dominantes, enigmática, a escritora trazou unha vía propia que lle valeu a admiración e respecto das últimas promocións literarias de Portugal. "O presidente da República cúrvase perante o seu xenio", expresou Marcelo Rebelo de Sousa nun comunicado de condolencias.Bessa-Luís nacera en Amarante en 1922.
NOS_49115
A escuadra do sur da Galiza chega a este partido logo de quedar eliminada da Copa
Case sen tempo para dixerir a eliminación da Copa da Raíña do pasado sábado a mans do Aula Alimentos de Valladolid, o Conservas Orbe Rubensa Porriño encara hoxe un novo desafío ante Rocasa Gran Canaria, nun choque que foi adiado no seu momento a causa da Covid-19 e que supón o definitivo feche da primeira fase do campionato ligueiro. A escuadra galega recibe no Pavillón Municipal do Porriño un conxunto canario que gañou na última xornada da Liga Guerreiras Iberdrola a Liberbank de Xixón por un cómodo 17-25, reafirmándoo na segunda posición da táboa clasificatoria, catro postos por encima do Balonmán Porriño. Para Ismael Martínez, adestrador do Conservas Orbe, será un reto xogar despois do "mazazo tan gordo" que supuxo a eliminación copeira". Agarda que o encontro ante Rocasa Gran Canaria "a pesar de que clasificatoriamente non ten valor ningún para nós", sirva para "recuperarnos dese pau tan grande no que tiramos o traballo de 105 minutos nos derradeiros 15 da eliminatoria". Con esta filosofía, Martínez aproveitará as baixas das internacionais Mónica Soares, Érica Tavares e Carme Castro para subir xogadoras do equipo xuvenil "e que collan minutos para demostrar que están preparadas para contribuír co primeiro equipo cando sexa necesario". Desastre en Valladolid O aspecto anímico será moi importante para afrontar o partido ante o Rocasa Gran Canaria, logo de deixar escapar unha clasificación para a Copa da Raíña que parecía asegurada no tempo de descanso. A pesar da vantaxe no marcador, uns tres últimos parciais de Aula Alimentos de 25-21, 27-23 e 29-25 que se poden atribuír aos fallos no ataque deixou as galegas fóra da Copa.
PRAZA_8967
Os sindicatos únense na convocatoria dun paro xeral para o vindeiro 12 de xuño na comarca ante a "dramática" situación laboral pola que pasa Ferrol e as súas comarcas máis achegadas.
Como nos anos da reconversión naval. Todos os sindicatos maioritarios uníronse outra vez en Ferrolterra e as súas comarcas máis achegadas para convocar unha folga xeral o vindeiro 12 de xuño na zona e ante a "dramática" situación laboral e económica pola que pasan Trasancos, Eume o Ortegal, semellante á que nos anos 80 provocara outros tres paros comarcais e unitarios. Este será o cuarto. Será a cuarta folga comarcal logo das tres convocadas nos duros anos 80 Anunciárono este luns os sindicatos CIG, CCOO, UGT e USTG dunha comarca, a de Ferrol, que soporta as taxas de paro máis altas de Galicia, cun 32%, e que a sitúa como a zona máis afectada polo desemprego e a crise económica en todo o país. As catro centrais coinciden, tal e como asegurou Xesús Anxo López Pintos, voceiro comarcal da CIG, en que a cidadanía enteira é "vítima das políticas do goberno do Estado", pero tamén das levadas a cabo polas administracións autonómica e local, ás que acusan de incumprir as súas promesas no ámbito do naval, das infraestruturas ou á hora de planear unha política industrial e de diversificación que non dá chegado. Á crise xeral unéselle en Ferrolterra, Eume ou Ortegal o desmantelamento do naval e do sector eólico Ferrolterra esixe solucións foi o lema elixido para unha convocatoria na que se inclúe tamén unha manifestación a partir das 12 do mediodía e desde a praza do Inferniño. A grave crise pola que atravesa o naval ferrolán, á espera dos floteis de Pemex que non chegan e dun dique flotel que o propio Goberno parece descartar, é unha pinga máis -e moi grave- na desesperación dunha comarca que ve tamén como se desmantela un sector, o eólico, que perdeu milleiros de empregos nos últimos meses ante a falta de respostas da Xunta. A última mala noticia provén de Gamesa, que anunciou o despido de 80 traballadores da súa planta galega das Somozas. "O paro está desbocado; a situación é de extraordinaria emerxencia", engadiu Auri Vázquez, secretaria comarcal de Comisións, que pide a unión a esta folga de traballadores e empresarios da zona, ao igual que fixeron Gregorio Freire, máximo responsable da USTG en Ferrolterra, ou Cesáreo Fraga, de UGT, que defenderon a folga como a medida máis acaída pola excepcionalidade que supón a crise que afecta ao norte da provincia da Coruña.
NOS_14917
O festival de Bueu fará festas de presentación durante o mes de marzo na Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo, Mos, Ponferrada e Porto, ademais de no propio concello.
O festival SonRías Baixas espalla a súa programación durante o mes de marzo, adiantando o que serán os días fortes da súa 18ª edición, entre 30 de xullo e 1 de agosto en Bueu. Nesta primavera van ter lugar unha serie de festas de celebración ao longo da xeografía galega: A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo, Bueu e Mos, ademais de en Ponferrada e en Porto. Estes "petiscos de música e filosofía SonRías" serán un punto de encontro entre artistas e público, que achegarán a outras cidades e vilas algunhas das propostas artísticas que xa son himnos do festival, como Dakidarría (unha das bandas que máis veces pisou o palco do evento), que presenta a súa proposta en acústico Tamén pasará por estas festas SonDaRúa, unha formación nacida nas redes sociais que desenvolveu un directo potente co que agora defende un avance do seu novo traballo, que verá a luz en abril. Volven, así mesmo, os Poetarras, o colectivo músico-humorístico que reaparecerá ao calor do festival de Bueu, mais en Compostela. A proposta de world music de García Mc & Nación Quilombo pasará tamén por Porto ou Bueu. Muyayo Rif e Ninhodelosrecaos Dj completan a oferta destes adiantos do Festival insignia do Concello de Bueu.
NOS_51315
Malia que os restaurantes xa teñen permiso para abrir até a unha da madrugada, Alberto Núñez Feixoo non ve posíbel cumprir co desexo do sector da hostalaría. Polo momento tampouco se ampliará a capacidade para atender clientela.
O desexo dunha boa parte do sector da hostalaría, a ampliación dos horarios e da capacidade para atender clientas, non chegará a facerse realidade de momento. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afirmou esta cuarta feira que "non é prudente" permitir que cafetarías e bares abran as súas portas até a unha da madrugada tal e como xa fan os restaurantes. Até o momento, os estabelecementos sinalados teñen permiso para fechar ás 23 horas, pero a representación do sector entendía que aqueles negocios que serviran comidas tiñas que ser tratados ao igual que os locais de restauración. No entanto, para Feixoo non é axeitado ir por esa vía de forma inmediata, como así o sinalou nunha reunión de varios departamentos coa hostalaría. Aliás, o empresariado querería que se ampliasen as capacidades, tanto no interior como nas terrazas, naquelas localidades que teñan unha mellor situación epidemiolóxica. Agora os máximos están fixados no 50% dentro dos bares e o 75% na parte exterior. O presidente do Goberno galego xustificou a súa negativa aludindo a que a ampliación de horarios nalgúns negocios e a supresión do toque de recoller implantouse "fai menos dunha semana" e aínda non pasou o tempo preciso para facer unha análise de se a decisión provocou cambios na expansión da Covid-19. Polo momento demandou "un pouco de paciencia á hostalaría" para actuar con precaución e "evitar volver aos feches" que podería provocar unha "decisión precipitada". "Oxalá podamos facelo e dar boas novas pero hai que ir a unha velocidade previamente pactada e non máis rápido", reflexionou, insistindo en "non seguir abrindo" a man de forma pouco "prudente".
NOS_30982
Sete informes remitidos á Fiscalía sen detallar advirten de posíbeis corrupcións nas antigas caixas galegas, onde a CIG xa chamou a atención sobre movementos sospeitosos de Méndez para favorecer á súa familia.
O Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) enviou á Fiscalía un total de 23 informes con operacións irregulares detectadas na antiga Novacaixagalicia (NCG) e tamén en Catalunya Caixa (CX) que suman un prexuízo económico de 1.500 millóns de euros. Segundo o FROB, la maioría das operacións sospeitosas tiveron lugar entre 2005 e 2008, das que sete, que se coñezan por esta fonte, corresponden a NCG, por valor de 600 millóns de euros. A operativa analizada destes expedientes baséase en operacións de financiamento para a compra de inmobles ou participacións. Hai tres semanas, o sindicato nacionalista CIG denunciou que a muller do ex-director xeral José Luis Méndez comprou grazas á entidade vivendas por valor moi inferior ao seu real. Fontes do Goberno central -moi implicado por vía partidaria dos escándalos financeiros do Estado, como os de NCG ou Caja Madrid- aseguran que están a investigar outras posíbeis irregularidades nas entidades.
NOS_48955
A Consellaría de Educación destina unha nova partida de 182.520 euros para desenvolver diferentes actividades relacionadas coa lectura nas escolas concertadas.
O Goberno galego volve apostar no ensino concertado cunha nova liña de subvencións que permitirán mellorar as bibliotecas destas infraestruturas. O Diario Oficial da Galiza (DOG) recolle nesta sexta feira unha orde da Consellaría de Educación sobre unha convocatoria de axudas para centros de ensino concertados da Galiza no ámbito das bibliotecas escolares e o fomento da lectura, de cara ao presente curso 2021-22. En concreto, Educación achega unha partida de 182.520 euros "destinada a apoiar os procesos de transformación das bibliotecas en centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe, favorecer as actividades de fomento da lectura e de educación no acceso e uso da información; favorecer a creación de laboratorios de radio vinculados á bibliotecas xa integradas no Plan de mellora e facilitar avances cara unha biblioteca inclusiva". Este ano súmanse á convocatoria oito centros: CPR Manuela Rial Mouzo (Cee), CPR Casa do Mozo (Compostela), CPR Divino Maestro (Ourense), CPR Compañía de María (Cangas), CPR Possumus, CPR Nosa Señora da Esperanza, CPR María Inmaculada e CPR Atalaia-Cantabria (todos eles en Vigo). En total, tan só no que se refire á mellora das bibliotecas levarán perto de 45.000 euros. Outros 36 centros entran neste plan de mellora de bibliotecas escolares, con montantes que van desde os 1.350 euros até os 6.900, no caso do CPR Santa María de Ourense. Aliás, 24 centros de ensino benefícianse da liña de axudas destinada a fomentar clubes de lectura; tres entran no programa de radio na biblioteca con máis de 6.000 euros a repartir, e outros once participan do plan de bibliotecas inclusivas, cuxa partida é de 12.600 euros. Hai varios colexios que levan fondos en distintas categorías das axudas e son numerosas as instalacións vinculadas con determinadas entidades relixiosas que terán apoio en distintas localidades do país. O que pretende a Xunta co seu investimento, segundo recolle o documento oficial, é apoiar "os procesos de transformación das bibliotecas en centros de recursos de lectura, información e aprendizaxe", entre outras cuestións. Ademais, reclámase publicidade do programa da Administración tanto nas páxinas webs dos centros como nas documentos relativos aos espazos subvencionados. Contra a orde aínda cabe recurso potestativo ante o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no prazo de 30 días. Un de cada seis euros de Educación destínase á concertada Cómpre lembrar, tal e como xa informou Nós Diario, que a Xunta aumentou nos orzamentos de 2022 as partidas destinadas ao ensino concertado en oito millóns de euros, alcanzando os 333,3 —14,5% dos fondos totais de Educación—. Son 19 millóns máis que en 2019. Na Galiza hai actualmente 1.646 colexios e institutos de todas as etapas educativas. dos cales 1.227 son de titularidade pública e os 419 restantes, privados —227 deles teñen un réxime de concerto—.
NOS_6779
É o cuarto durante a última semana. Afecta a 16 quilómetros da autovía, á altura do municipio de Mondoñedo, segundo informou a Dirección Xeral de Tráfico.
A Dirección Xeral de Tráfico informou este sábado de novos cortes na A-8 por problemas de visibilidade á altura do municipio lucense de Mondoñedo. O corte afecta a 16 quilómetros da autovía, entre os puntos 536 e 552. Unha vez máis, a intensa néboa obriga a desviar o tráfico neste perigoso punto, onde o pasado xullo houbo un grave accidente en cadea no que faleceu unha persoa. As néboas neste tramo son habituais coa chegada da primavera. De feito, é o cuarto corte durante a última semana no mesmo tramo. As usuarias terán que desviarse pola N-634, segundo a Dirección Xeral de Tráfico. Fomento busca unha solución Pasou algo máis dun ano desde que este tramo foi inaugurado. O ministerio de Fomento ultima un proxecto, que licitará nas próximas semanas, para encontrar unha solución técnica que reduza o impacto da néboa, segundo recolle o xornal 'La Voz de Galicia'. Até o momento só se tomaran medidas preventivas, como balizas luminosas e un radar, que non evitan o peche deste tramo en días de especial incidencia da néboa.
NOS_42272
María Xosé Porteiro é xornalista e exdelegada da Xunta en Arxentina. Advirte dos riscos dun goberno de coalición entre a "dereita radicalizada" após o 28 de abril.
A clave desta campaña electoral está, para María Xosé Porteiro, en que "por primeira vez, desde hai tres décadas, a dereita preséntase fragmentada pola aparición de Vox como opción ideolóxica extrema e Ciudadanos abandona o centro competindo, abertamente, coa dereita convencional". A xornalista considera que esta división na dereita pode prexudicala pola Lei D'Hont mais tamén advirte que é real a posibilidade que PP, Ciudadanos e Vox sumen para "unha coalición post electoral", ou ben seguir o modelo de Andalucía "de facilitar un goberno presidido polo Partido Popular pero radicalizado pola extrema dereita. No que respecta a Galiza, Porteiro considera que "se xoga moito nas eleccións xerais". Pon riba da mesa "o financiamento autonómico, como cuestión principal, e a dotación económica para competencias delegadas como a atención á Lei de Dependencia, ou contra a Violencia de Xénero, poden diminuír exponencialmente se hai un goberno constituído pola dereita radicalizada". Unha dereita que "se aglutina arredor do PP, Vox e Ciudadanos que cuestiona, ou mesmo, dinamita, o Estado das Autonomías". Galiza, conclúe, "xógase, mesmo, a garantía de seguir avanzando na súa propia autonomía en materias de identidade, lingua ou apoio á galeguidade no exterior".
PRAZA_4562
A ex alcaldesa betanceira defendeu en 2012 unha moción na que instaba o Goberno local a "revogar a contratación" do avogado e pasarlle o asunto ao asesor xurídico municipal, que o rexeitara por non estar especializado no ámbito penal. Os votos de PSdeG e BNG impediron a destitución. Audio no interior
O nome de María Faraldo levaba case oito anos sen ocupar titulares alén da vida política local de Betanzos. Dende que, como secretaria de organización do PP da Coruña, tentou boicotear o dispositivo contra incendios da Xunta do bipartito a súa figura non transcendera do ámbito municipal. Volveuno facer hai escasos días, cando o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decidiu procesala por presuntos delitos de prevaricación e falsidade relativos á contratación dun profesor do conservatorio da vila sen, supostamente, ter marxe legal para facelo. Este procesamento prodúcese dous anos despois de que o PP municipal tentase que o Concello betanceiro, actualmente dirixido polo PSdeG, prescindise do avogado que representa a institución municipal nesta causa. Os conservadores realizaron esta tentativa a través dunha moción, defendida no pleno municipal en xullo de 2012 pola propia Faraldo co aforro como argumento fundamental. Tratábase, explicou Faraldo ante o pleno de "instar o alcalde", o socialista Ramón García, a "revogar a contratación dun avogado externo para defender os intereses do concello" e que ese labor "sexa levado a cabo polo asesor xurídico do Concello", de tal xeito que "os 8.000 euros que vai custar sexan destinados para outro fin". Faraldo alegou motivos económicos para instar o Goberno local a "revogar a contratación" do avogado A moción, que tamén tivo o apoio do voceiro de Cidadáns por Betanzos, foi rexeitada tanto polo grupo do Goberno como polo BNG. "Trata de ocultarse por tras dunha demagoxia económica", reprochoulle a Faraldo o voceiro socialista, que argumentou a contratación dun avogado externo no feito de que o propio asesor xurídico municipal explicara nun informe que as cuestións penais "non son a súa especialidade". "É unha escusa de mal pagador", acrecentou, máis aínda porque Faraldo, na súa etapa na Alcaldía, "encargou un informe externo de máis de 2.000 euros polo mesmo asunto nunha asesoría". O asesor xurídico municipal reclamou non levar o caso por "non estar especializado no eido penal" "O asesor xurídico admite que non é especializado no eido penal" pero "non dubidamos da súa capacidade", agregou o propio alcalde. "A proba está en que foi nomeado" para levar o caso, pero "el, posteriormente, nos fai chegar da posible incompatibilidade na que podería incorrer neste asunto", toda vez que redactou informes ao respecto "nos que fala de ilícitos penais" e "o poden chamar como testemuño", iso "sabémolo todos". Na mesma liña, o BNG local amosouse convencido de que "o debate de fondo non é o aforro", senón que Faraldo buscaba "que unha persoa que non está especializada neste tipo de causas asuma a defensa do concello para facilitarlle a defensa", isto é, "por comenencia". Pero para a ex alcaldesa os motivos son outros. O asesor xurídico municipal é "suficientemente competente", di, porque xa "defendeu os intereses do Concello" en casos nos que "se xogaba indemnizacións millonarias". Nesa altura Faraldo consideraba que a causa pola que agora está procesada "é un asunto que queima, e hai determinadas persoas que se queren queimar con el e outras, que non". "Aí está o quid da cuestión", aseguraba, ao tempo que lle reprochaba ao alcalde que "dese por sentado" que a súa moción ía ser rexeitada. "Paréceme dun depotismo tremendo", reprochou. Finalmente, os votos de socialistas e nacionalistas impediron que o avogado fose despedido. Escoita o debate completo
PRAZA_20118
O presidente da Xunta atribúe a un "axuste de contas" interno o apoio do PSdeG por primeira vez a abrir no Congreso unha comisión sobre o sinistro e acusa o conxunto da esquerda de "aproveitar a dor das vítimas". José Blanco declárase disposto a comparecer se a investigación é aprobada
Nunca pasara. Ata agora, todos os vetos do PP á apertura dunha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois, no que morreron 80 persoas e outras 144 resultaron feridas, sempre resultaran amortecidas tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso pola abstención e, mesmo nalgún caso, tamén pola negativa dos socialistas. Pero a votación celebrada este mércores no lexislativo galego mudou o escenario. O PSdeG, como anunciara, sumouse -previa aceptación dunha emenda- á proposta de En Marea para reclamar unha investigación técnica, pero tamén unha pescuda política nas Cortes sobre o sinistro. Así, os votos de ambos grupos e mais os do BNG uníronse por primeira vez en torno ao "si" e deixaron os conservadores máis sós ca nunca no "non". O que queda no escenario é, para o presidente da Xunta, un síntoma de "coherencia" do seu partido, se ben acolleu a mudanza socialista cun amplo catálogo de irados reproches. O voceiro socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, argumentou durante o debate que a combinación do proceso xudicial, dunha "investigación técnica independente" aínda non realizada e mais a comisión de investigación política permitirá "dilucidar outras responsabilidades máis alá das penais", xa que "se as hai, deben ser depuradas convenientemente". Sustentou, ademais, o voto afirmativo no feito de que se aceptase a petición do novo informe técnico como condición "previa". Pero para Alberto Núñez Feijóo a explicación é máis simple e reside en que "o secretario xeral do PSOE agora se chama Pedro Sánchez" e por iso agora o PSdeG dá en "xogar coas vítimas" do accidente e mais "cos familiares" para "facer un axuste de contas" dentro do partido. O presidente da Xunta atribúe o apoio do PSdeG a un "axuste de contas" interno e acusa os socialistas e o conxunto da oposición de "xogar coas vítimas" O PSdeG, sentenciou o presidente tras a reunión semanal do Consello da Xunta, "mudou a súa opinión como consecuencia do cambio político en Madrid". "Pregúntenlle a eles -convidou a prensa- por que cando muda o secretario xeral do PSOE automaticamente xa se pode investigar o presidente Zapatero e ao seu ministro, o señor Blanco", xa que foron eles "os que puxeron esa liña a funcionar". Abrir esa investigación sería para titular do Goberno sinónimo de "investigar ao PSOE", e o PP non vai "utilizar as vítimas para un problema político", senón limitarse a "pedir a xuíces e fiscais que adopten coa maior celeridade" e "independencia" unha "resolución concreta" para "saber quen foron o culpable ou culpables dese accidente". Neste contexto, Feijóo lamenta que o PPdeG fique como único partido do arco parlamentario que "mantén a palabra dada", xa que "tentamos votar a favor" de "reforzar a comisión de expertos do Ministerio de Fomento para dar absoluta obxectividade e tranquilidade" ao seu ditame. A reflexión do presidente refírese á Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), cuxa ausencia de independencia na avaliación do sinistro xa fora certificada pola Audiencia Provincial da Coruña en maio de 2016, se ben só despois de que a Axencia Ferroviaria Europea se pronunciase nun ton idéntico o PP e mais o PSOE se abriron a pedir unha nova investigación técnica. Así e todo, o novo responsable da CIAF xa deixou claro o pasado marzo que esa nova investigación non entra nos seus plans. Feijóo mantén que abrir a comisión implicaría "dubidar da decisión xudicial"; "se se quere abrir despois da sentenza, que se abra", matiza Despois de que En Marea se negase a que a proposta se votase por puntos para propiciar así que o PP se sumase só a parte técnica o presidente proclama que apoiar a apertura neste momento dunha investigación política sería tanto como "dubidar da decisión xudicial". Neste sentido, varía uns milímetros a súa postura para indicar que "se se quere abrir unha comisión de investigación despois de ter unha sentenza, que se abra". En calquera caso, censura, a votación realizada pola esquerda non supón máis que "facer unha política dentro dun axuste de contas" e para iso, asegura, En Marea, PSdeG e BNG están a "aproveitar a dor das vítimas". "Eu o lamento, por esta falta de respecto ás vítimas", reiterou. Blanco, disposto a comparecer José Blanco: "Sempre estarei á disposición de poder comparecer e explicarme" As acusacións de Feijóo a respecto dun "axuste de contas" no PSOE coas vítimas do accidente como reféns chegaban horas despois de que un dos cargos que o PP sitúa como destinatario desa eventual vinganza interna, o ex-ministro José Blanco, se amosase disposto a comparecer nesa comisión de investigación se é aberta. Durante unha entrevista na Radio Galega o que fora titular de Fomento asegurou que "sempre" estará "á disposición de poder comparecer e explicarme", xa que "a única responsabilidade que teño como ministro que fun de Fomento foi tratar de garantir o investimento para as infraestruturas de Galicia". A votación do PSdeG non colleu por sorpresa o ex-ministro. "Coñecíaa, porque ma traslsadou o portavoz parlamentario, e respéctoa", mantivo Blanco, quen asegura ademais que "sempre" mantivo ese mesmo "respecto" polas decisións do partido en Galicia "sen ningún tipo de interferencia", agrega o actual eurodeputado.
NOS_9097
O xuíz sardo deixa en liberdade o president Carles Puigdemont sen ningunha medida cautelar.
O xefe da oficina do president, Josep Lluís Alay, explicou na tarde da sexta feira que o xuíz sardo deixou en liberdade Puigdemont sen medida cautelar ningunha. Mañá deberá declarar perante a corte de apelación de Sassari, que debe decidir sobre a legalidade da súa detención no aeroporto de L'Alguer, en Sardeña. "Agora temos que esperar que o xuíz dite a súa saída inmediata do cárcere e deberá quedar uns días en Sardeña para que continúe o proceso que iniciou España de extradición". Alay sinalou que "probabelmente sairá hoxe do cárcere e terémolo en Alguer celebrando o Adifolk". Fica agora pendente de pasar a disposición da Corte de Apelación de Sassari, que é a competente para decidir se o poñen en liberdade ou é extraditado. A defensa de Puigdemont xa anunciara que presentaría unha demanda de medidas cautelarísimas ao Tribunal Xeral da Unión Europea. O Govern catalán en bloque compareceu para exixir a liberación de Puigdemont. Ademais, varios colectivos convocaron unha manifestación para as 12 horas do domingo contra a detención do president. Por outra parte, esta sexta feira, o xefe do Executivo español, Pedro Sánchez, defendeu a mesa de diálogo con Catalunya e aseverou que Puigdemont "debe comparecer e someterse á xustiza".