ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_1300 | O actor e humorista Fran Rei reivindica o seu traballo, tamén durante a pandemia. | Como está a tratar a pandemia o sector do teatro? Está a ter moito traballo no verán a pesar das restricións? Si, a verdade é que teño o calendario cheo de actuacións. Como este primeiro cuadrimestre estivo completamente baleiro, parece que agora se quere recuperar o tempo perdido, entón hai moitos espectáculos. Ao comezo de toda esta situación sempre me preguntaba se serviría de algo o meu traballo; e é unha alegría para min ver que si, que a xente quere seguir indo ao teatro, tendo en conta todos os esforzos que hai que facer agora: chegar antes, estar separado dos acompañantes, levar a máscara etc. Saquei moitas conclusións da pandemia, moitas malas, pero tamén moitas boas. Permítelle o traballo coller algo de vacacións? Sempre collo a primeira quedan de agosto para descansar e pasar tempo cos meus fillos. Teño a sorte de vivir nunha urbanización con piscina, entón paso as tardes nela cos nenos. Este ano estou moi ocupado, só en xullo tiven 15 actuacións, o que non me permite viaxar. Agora en agosto, no meu tempo libre, si irei a algún parque acuático en Portugal e a outro de atraccións en Madrid. A nivel galego, adoita pasar o verán nalgún lugar en concreto? Hai dous lugares que me encantan. O primeiro é a Illa de Arousa; temos uns amigos en Vilagarcía e imos cada ano, é a miña escapada favorita. Sei que non é moi orixinal para alguén de Compostela, pero desfrútoo moito. O outro é Caldebarcos, en Carnota; sempre digo que é o meu lugar soñado. Probabelmente vaia a comezos de setembro, antes de que os rapaces comecen a escola, para pasar uns días en familia. Podería recomendar algo para facer durante este verán? Agora que desgraciadamente o tema da homofobia e os debates ao redor das minorías está tan de actualidade, recomendo moito ver a serie POSE, que trata sobre o mundo trans na Nova York dos anos 80. Non só fala dos dereitos das minorías, senón que trata a minoría máis absoluta: as mulleres negras trans. Con esta serie enténdese que sempre hai alguén que está peor ca ti; realmente fíxome reflexionar moito. |
NOS_7236 | Novos sinais de o PP e o PSOE se estaren a reencontrar como forzas de choque do unionismo face ao referendo de 1-O. Se esta segunda feira, García Albiol -portavoz do PP no Parlament- defendía a aplicación do artigo 155 -a suspensión do autogoberno catalán-, esta terza a portavoz socialista no Congreso, Margarita Robles, demandaba a retirada das urnas para evitar a comisión dun delito. | O exercicio dun dereito democrático, o do pobo de Catalunya a decidir o seu estatus político, é visto como un delito por Margarita Robles, ex secretaria de Estado de Interior durante o último goberno de Felipe González e actual portavoz do grupo parlamentar do PSOE no Congreso dos Deputados. Na realización do referendo ve Robles a comisión dun delito de malversación de fondos públicos e doutro ilícito penal de desobediencia das resolucións do Tribunal Constitucional. É por iso que demanda a retirada dunhas urnas que, segundo o dito por Carles Puigdemont ao Financial Times, xa estarían en posesión da Administración catalá. Robles, en todo caso, nega calquera valor xurídico ao referendo no caso de este se vir finalmente a materializar. Aliás, quixo matizar o alcance das súas palabras con esta frase: "Xa veremos se se poñen as urnas, como as poñen e se lles chaman urnas". En calquera caso, estas declaración non son casuais e veñen precedidas das proferidas por García Albiol esta segunda feira a prol da activación do artigo 155 da Constitución española, medida coercitiva que permitiría a suspensión de determinadas competencias do auto-goberno catalán [por exemplo, as que ten sobre o Mosssos] e a súa asunción directa por parte do Estado. Robles e García Albiol expresan estas opinións favorábeis a unha focaxe represiva do referendo por parte do Estado após se coñecer que Pedro Sánchez, secretario xeral do PSOE, chamou a Mariano Rajoy para lle oferecer o apoio do seu partido fronte ao que o establishment español, político e mediático, chama o "desafío independentista". |
PRAZA_9263 | Vai facer agora dez anos dunha manifestación na Quintana compostelá deseñada dende o nacionalismo español contra da nosa lingua, cultura e identidade. | Vai facer agora dez anos dunha manifestación na Quintana compostelá deseñada dende o nacionalismo español contra da nosa lingua, cultura e identidade. Unha manifestación baseada na mentira de que o Goberno galego de coalición BNG-PSOE quería impór o galego, cando simplesmente determinaba un mínimo do 50% de uso da nosa lingua a medio dun Decreto que de primeiras aprobou o PPdeG. Un PPdeG que despois refugou del para sumar moi poucos milleiros de votos que, porén, foron esenciais para acadaren os definitivos deputados nas circunscricións d´A Coruña e Pontevedra nas eleccións nacionais do 01.03.2009.Rechamante foi a participación nesa manifestación da antecedente directa do nacionalismo extremista español de Vox e Cs (Rosa Díez, líder da UPD). Unha Rosa Díez que moi axiña faría desprezo da nacionalidade galega por mor da nosa capacidade para non nos definir, sen advertir que as persoas galegas non xogamos ás definicións cando non nos interesa o marco conceptual que se nos quere impór coas mesmas.A organización daquela protesta, que dícía ser bilingüe, hoxe esixe falarmos español, na liña daquel franquista "Hable bien. Sea patriota" dos anos 50 do século pasado. E, logo de dez anos, algún dos líderes dese nacionalismo español (Ortega Smith polos extremistas, Toni Cantó polos falsos liberais) minten conscientemente denunciando a falsísima discriminación, cando non risco de persecución do castelán na Galicia.Estes ataques á nosa lingua, cultura e identidade non son ningunha brincadeira. Fronte ao carácter cívico e de afirmación do galeguismo o nacionalismo español é ofensivo e supremacista e baséase no "a por ellos" e no "lo toma o lo toma". Canda este extremismo político vogan os empresarios españois interesados na recentralización económica, para obter da nosa economía o rédito que lle habería de cumprir ás empresas galegas e voga ese freakismo cosmopailanista, moi minoritario, máis con voceiros abondo, presente nas nosas cidades e vilas.Fronte este supremacismo habemos opór as cualidades da democracia: a inclusión e cohesión social que só se dan nas sociedades xustas que partillan un mesmo sistema educativo, as liberdades que esixen non sermos discriminados no noso País por falarmos e vivirmos na nosa lingua e o sentidiño de non substituir o noso pola voracidade extractiva dos que queren empobrecer e someter este País. |
NOS_10296 | A formación nacionalista inclúe no seu programa medidas "como as de Uruguai ou Colorado" para que a marihuana se distribúa de forma controlada, "coa fiscalidade correspondente, como ocorre co alcohol e o tabaco". | O BNG propuxo "revisar a nivel europeo a política prohibicionista" sobre drogas e "evaluar os resultados alcanzados até o de agora na materia", á vez que apostou por unha "nova política na que se valoren alternativas como a distribución controlada de marihuana". Segundo explicou a formación nacionalista, a súa proposta de "legalizar" a distribución de marihuana -incluída no seu programa electoral para os comicios europeos do 25 de maio- xa está en práctica por outros países, "tanto con fins terapéuticos como recreativos", como o caso de Uruguai, Holanda ou os estados de Washington e Colorado, nos EUA. O Bloque considera que a marihuana "debería recibir un tratamento similar ao do alcohol e o tabaco", ambos legalizados, comercializados e distribuídos de forma controlada, coa fiscalidade correspondente. No seu programa, o Bloque tamén propón integrar a política de drogas na política xeral de consumo e sanidade, mellorar a situación d@s adict@s e das súas familias, e incrementar os programas dirixidos a facilitar a drogodependentes o abandono da súa adición. |
NOS_32042 | No centro Ballesol. | Un novo foco nunha residencia, desta volta na Ballesol de Vigo, onde o coronavirus contaxiou 22 persoas usuarias e 10 do persoal. En total, 32 acadadas polo virus. Non se desbota que o número aumente. Segundo os dados da Xunta, a altura desta segunda feira hai 712 contaxiados na Galiza en relación coas residencias de anciás. Deses contaxios a maior parte é de usuarias dos centros (454), mentres que os traballadores e traballadoras con 258. O xeriátrico está situado na Gran Vía viguesa e conta con 117 prazas de residentes. Baixo a supervisión do Sergas, a residencia está procedendo a illar os positivos e os seus contactos do resto das persoas usuarias. Deste modo, as residencias de maiores con máis casos de coronavirus entre os seus residentes son A Nosa Señora das Miragres de Barbadás, con 77; DomusVi Ribadumia, con 74; a de Salvaterra do Miño, con 68; A Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, con 42; a Residencia San Cibrao de Cervo, con 35; e A Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia, con 32. Séguenlle a Residencia DomusVi Coruña de Oleiros, con 19; o Fogar Residencial San Miguel de Silleda, con 16; a Residencia Santa Olalla de Boqueixón, con 15; a Residencia As Fragas de Pontedeume, con 12; a Residencia de Pereiro de Aguiar, con oito; a de San Cristovo de Cea, con sete; a DomusVi Lugo de Outeiro de Rei e a Ballesol de Oleiros, con cinco en cada caso; e as residencias Viana do Bolo e Irmáns Prieto do Carballiño, con catro cada unha. As residencias con máis empregadas e empregados contaxiados son a Residencia A Nosa Señora das Miragres de Barbadás, con 37; a DomusvI Ribadumia, con 28; a Residencia de Salvaterra do Miño, con 27; e a Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, con 19. |
NOS_26053 | O ex portavoz nacional do BNG e ex vicepresidente do Goberno galego reapareceu esta quinta feira nun acto público -a apresentación dunha tese de doutoramento sobre a campaña que desembocou na derrota do bipartito- e atendeu a imprensa sobre os temas de actualidade política. | Para Anxo Quintana, é evidente que Galiza -"goste ou non goste- non está presente nas negociacións da investidura de Pedro Sánchez, en contraste con Valencia e "por suposto tamén Catalunya e Euskadi". "Galiza non está a ter nen moito nen pouco peso: non está a ter ningún", dixo e para ser máis preciso engadiu: "Isto non quer dicer que non haxa deputados galegos de todas as forzas políticas que estarán moi preocupados por que, en todo isto, Galiza estea presente. Cada un, desde a súa perspectiva, estará traballando, mais a visualización práctica do que a xente ve é que Galiza non está". "O que ten que facer o BNG non debe facelo pensando nas autonómicas. Porque mesmo hai outras decisións antes das autonómicas" Interpelado polos medios a respeito de quen debería garantir a presenza que Galiza neste momento non tería, respondeu Quintana que "os propios galegos e galegas" e salientou que a representación galega no Congreso é a que é "porque os galegos preferiron que fose así". Así as cousas, entende que o que cómpre a partir de agora é "tirar conclusións e experiencias e ver se é posíbel melloralo para o futuro". Tamén foi inquirido o ex portavoz nacional pola asemblea nacional que a organización na que milita irá realizar o domingo 28 de febreiro na Coruña. Sobre o conclave nacionalista, Quintana dixo: "O que ten que facer o BNG non debe facelo pensando nas autonómicas". E a seguir esclareceu: "Porque mesmo hai outras decisións antes das autonómicas. O que ten que facer o BNG, penso eu, é procurar unha fórmula que lle permita ser un proxecto útil para a sociedade galega". Con Touriño Quintana asistiu esta mañá, na faculdade de Ciencias da Información da USC, á leitura da tese de doutoramento de Paulo Carlos López sobre a axenda política e mediática nas eleccións galegas de 2009 (as da derrota do bipartito face o PP de Feijóo), un traballo dirixido polo profesor Luís Álvarez Pousa. No acto coincidiu co político co que partillou aquel goberno de coligazón PSdeG-PSOE-BNG, o ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. |
NOS_15230 | Neste ano 2015 non haberá Premios Martín Códax da Música galega, que se adían até 2016, pero -para compensar- créase o I Festival co mesmo nome, que terá lugar en Compostela do 15 ao 17 de outubro. | Os Premios Martín Códax da Música, que viñeron ocupar un oco clarísimo na música galega, están bastante afianzados xa na escena nacional, pero un cambio de datas provocou o seu adiamento até a primavera de 2016. Iso provocou que os seus promotores, a Asociación de Músicos ao Vivo, organizaran este ano o I Festival dos Premios Martín Códax da Música, onde poderemos escoitar os traballos de todos aqueles que foron premiados na última edición. Este evento vaise realizar en varios escenarios compostelás como o Salón Teatro, o Teatro Principal, o CGAC ou a Zona C, ademais da Praza de Abastos e a Quintana. A quinta-feira acollerá na Zona C concertos de Cró! E SubRosa; na sexta, Wöyza, Cuarteto Caramuxo e Sumrrá ocuparán o Principal; e o sábado a Capitol recibirá a Ataque Escampe, Cats and Monkeys, Zamaramandi e Nao. Os Premios Martín Códax da Música naceron en 2013 "para recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas; revelar novos talentos e achegar a música e o seu proceso de produción ao público". Patrocinados por esta cooperativa vitivinícola, están organizados pola Asociación Músicos ao Vivo, creada en 2008 e que conta con máis de 300 socios. |
NOS_56279 | O Goberno do país otomán valora abandonar a Convención de Estambul, o importante tratado internacional na pevención da violencia contra as mulleres. | Miles de persoas, a maioría mulleres, tomaron saíron ás rúas en Turquía nas últimas horas para demandar ao Goberno que non se retire da Convención de Estambul, o tratado internacional que marca un antes e un despois na loita para a prevención da violencia machista. As protestas foron as maiores das recentes semanas ante o aumento no número de mulleres asasinadas por homes na última década, desde que o tratado ─que paradoxalmente leva o nome da cidade turca─ foi aprobado no ano 2011. A Convención de Estambul é o primeiro instrumento vinculante para previr e combater a violencia contra as mulleres, desde a violación marital até a mutilación xenital feminina. Detencións Centos de mulleres marcharon nesta cidade con pancartas onde se podía ler lemas como "As mulleres non perdoarán a violencia" ou "Longa vida á solidariedade entre as mulleres". Na rexión de Izmir a Policía interveu para parar a marcha. O grupo realizou entón unha sentada e houbo dez detencións. Tamén houbo protestas en in Ankara e nas cidades meridionais de Adana e Antalya. |
NOS_46406 | O portavoz nacional do BNG solicita "que se lle dea voz ao pobo para que poida pronunciarse" sobre un acordo entre a UE e Estados Unidos que afectará "aos servizos públicos máis básicos". | O líder do BNG, Xavier Vence, sinalou que o Tratado Transatlántico para o Libre Comercio e o Investimento (TTIP), que se está a negociar "con total escurantismo e nocturnidade entre a UE e os EUA", é "un auténtico ataque ao sistema público". Así o salientou en declaracións aos medios antes de comezar a xornada aberta de debate "Soberanía e dereito a decidir. A alternativa dos pobos ao tratado de libre comercio USA-UE (TTIP)", que se iniciou cun encontro entre o BNG e unha vintena de asociacións sectoriais e veciñais e unha charla na Coruña na que participou o propio voceiro nacional do Bloque, o candidato da formación nacionalista ás municipais de maio, Xosé Manuel Carril, ou o dirixente de Bildu Joseba Permach. O dirixente nacionalista reivindicou a soberanía "para impedir a aplicación do TTIP e garantir condicións dignas para o pobo galego" Vence afirmou que "os poderes do sistema, interesadamente, renuncian a colocar na axenda do debate social a negociación deste tratado, que implicará moitas modificacións do actual marco regulatorio non só comercial e financeiro, senón tamén no regulamento dos servizos públicos máis básicos". Vence asegurou a súa intervención ante os medios sinalando que o BNG "vai batallar para que este tratado non vaia adiante, pois vai supor un retroceso enorme en dereitos e vai en contra do modelo de sociedade que queremos". O portavoz nacional do Bloque criticou que a negociación do TTIP "estea a ter lugar á marxe da opinión pública e exixiu que se lle dea voz ao pobo para que poida pronunciarse sobre unha cuestión que lle vai afectar tanto no futuro". Insistiu en reivindicar a soberanía para impedir a aplicación do TTIP e para poder "garantir unhas condicións dignas para o pobo galego". Foto de Joseba Permach, tirada de @BNGACorunha |
NOS_32722 | O Goberno estatal responde ao deputado do BNG, Néstor Rego, que a condena de Bóveda será declara nula unha vez se aprobe a nova Lei de Memoria Democrática. | Alexandre Bóveda foi condenado por Consello de Guerra sumarísimo, decorrido en Pontevedra o 13 de agosto de 1936, á pena de morte por un delito de traizón. Foi fusilado na Caeira (Poio) o 17 de agosto de 1936, algo que o fai "acredor da reparación moral coa que a democracia española honra os que inxustamente padeceron" persecución ou violencia após o golpe de estado de Francisco Franco. Elixiuse a xornada do seu asasinato para conmemorar o Día da Galiza Mártir. Así responde o Goberno estatal a unha pregunta escrita formulada por Néstor Rego, deputado do BNG. O Executivo afirma na resposta, á que tivo acceso Nós Diario, que en base á Lei de Memoria Democrática, cuxo anteproxecto foi tramitado o 15 de setembro de 2020 polo Consello de Ministras e Ministros, se recoñecerá e declarará o "carácter radicalmente nulo de todas as condenas, sancións e calquera forma de violencia persoal" producidas por "razóns políticas, ideolóxicas, de conciencia ou crenza relixiosa durante a guerra civil [que na Galiza foi unha represión], así como as sufridas polas mesmas causas durante a ditadura". O documento pon de manifesto que "de maneira expresa, declárase a ilexitimidade dos tribunais, xurados e calquera outro órgano penal ou administrativo que, durante a guerra civil, se constituíse para impor, por motivos políticos, ideolóxicos, de conciencia ou crenza relixiosa, condenas ou sancións de carácter persoal". Fai fincapé na "ilexitimidade e nulidade das súas resolucións", concretamente, di, "por ser contrarias á dereito e vulnerar as máis elementais exixencias do dereito a un xuízo xusto". En todo caso, continúa a resposta, declárase a ilexitimidade do Tribunal de Represión da Masonería e o Comunismo, o Tribunal de Orde Pública, así como os Tribunais de Responsabilidades Políticas e Consellos de Guerra constituídos por motivos políticos, ideolóxicas, de conciencia ou crenza relixiosa. 14 anos sen executar unha proposición non de lei En 2006 o Congreso aprobaba unha proposición non de lei presentada polo entón deputado do BNG Francisco Rodríguez na que se lle esixía ao Goberno español a anulación do xuízo militar sumarísimo contra quen fora o secretario de Organización do Partido Galeguista. Porén, o acordo parlamentar, 14 anos despois, non foi executado. Así o lembra Rego na exposición de motivos da pregunta dirixida ao Executivo. O parlamentar nacionalista explica que en 2015 a Lei de Memoria Histórica, Lei 52/2007, estabeleceu medidas a favor de quen padeceron a represión ou violencia durante a guerra civil e a ditadura e recorda que se fixo entón pública unha declaración de reparación e recoñecemento persoal de Bóveda como vítima do franquismo. Mais a "anulación do xuízo militar segue sendo hoxe unha débeda pendente oitenta e catro anos após do seu fusilamento", lamenta Rego, quen advirte de que o Goberno español "segue sen actuar para lograr a anulación formal de todos os Consellos de Guerra practicados polos militares fascistas sublevados e, particularmente, o que condenou a morte a Alexandre Bóveda, "como xa se fixo no caso do presidente catalán Lluís Companys en decembro de 2018. "Un delirio" "Que a reparación moral de Bóveda non implique a anulación do xuízo sumarísimo é un delirio". Así se pronunciaba Valentín Bóveda, neto do dirixente nacionalista e vicepresidente da Fundación Alexandre Bóveda, nunha entrevista concedida a Sermos Galiza, após a declaración de reparación. "É, claramente, o acto de reparación que falta para restituír plenamente a dignidade e a figura de quen foi un firme defensor da Galiza e da democracia e un referente na consecución do primeiro status legal de autogoberno para o noso país", considera o deputado do BNG. Malia que Rego preguntou se o Goberno "vai dar cumprimento" á citada proposición non de lei e á propia Lei da Memoria Histórica e anular, así, o xuízo sumarísimo, o Executivo de Sánchez eludiu a resposta e remitiuse á aprobación da nova normativa. O papel de Bóveda Castelao foi o primeiro en valorizar o exemplo de determinación de Bóveda: "Moitas veces os mártires crean mundos que os heroes nin tan sequera son capaces de concibir e na miña Terra cumprirase a vontade dos mártires. (…) Bóveda terá de ser, nun mañá próximo ou distante, a bandeira de nosa redención". A firmeza na defensa do seu compromiso coa Galiza e do seu patriotismo, salienta Rego, "continúa actuando como un exemplo para o presente". Na exposición de motivos da pregunta, o deputado nacionalista lembra que Bóveda liderou "a defensa das institucións democráticas republicanas en Pontevedra", o que o levou a ser detido o 20 de xullo de 1936. "Tras a representación dun xuízo militar cuxo resultado estaba xa decidido de antemán, realizado polos militares facciosos, foi condenado a morte o 14 de agosto e fusilado na Caeira tres días após", recolle Rego, quen subliña que Bóveda, "en todo momento mantivo a súa firmeza política e ideolóxica en defensa da Galiza e da democracia". Non por acaso, quen foi o motor do Partido Galeguista, en palabras do propio Castelao, pronunciou as seguintes palabras perante o Tribunal que o condenou a morte: "A miña patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente. Xamais a traizoaría, aínda que me concedesen séculos de vida. Adóroa máis alá da miña propia morte. Se entende o Tribunal que por este amor entrañábel debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden pola Galiza e faría máis se puider. Se non puider, até gostaría de morrer pola miña patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado". |
NOS_25024 | O curso escolar 2020-2021 comezou para a metade do alumnado de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial. Continúa hoxe co regreso ás aulas do resto do estudantado após unha xornada de folga marcada por uns servizos mínimos abusivos contrarios ao dereito ao paro e á demanda por parte de profesorado e sindicatos de máis recursos e persoal para cumprir coas exixencias de seguridade ás que a Xunta elude dar resposta. | Esta sexta feira complétase o regreso ás aulas de 194.221 nenos e nenas de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial da Galiza, 1,3% menos ca no curso 2019/20, segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional, agora suprimida e integrada baixo a dirección de Román Rodríguez no departamento de Cultura. O primeiro en incorporarse onte aos colexios foi alumnado de 4º e 5º de Educación Infantil; 1º, 2º e 3º de Educación Primaria mais o do ensino especial. Fixérono durante unha xornada de folga convocada pola CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, CCOO, STEG e CSIF co apoio das dúas confederacións de asociacións de pais e nais do alumnado dos centros públicos da Galiza, Anpas Galegas e Confapa, mais dos sindicatos de estudantes Erguer e Anega. Ensino seguro Por un ensino presencial seguro. A mobilización do profesorado, do persoal non docente e da comunidade educativa en xeral estendeuse por todo o territorio e localizouse de forma máis notábel nalgúns centros de ensinanza mais nunha ducia de localidades onde as organización sindicais fixaron outras tantas concentracións co obxectivo de facer públicas e visíbeis as súas demandas. Máis persoal. Máis recursos. Menos alumnado por aula. Máis saúde. Son as ideas centrais dunha folga que se vai repetir o 16 de setembro coincidindo co inicio das aulas en Secundaria e que insta o Goberno galego a asumir as súas responsabilidades no arranque do curso escolar ante o desamparo que a comunidade educativa observa no protocolo impulsado pola Xunta para a organización das escolas. A Xunta optou por calquera medida antes do aumento orzamentario e de persoal necesario para unha atención de calidade, tanto desde a perspectiva educativa como sanitaria. A CIG-Ensino sinalou no adianto da convocatoria "unha imprudencia temeraria" por parte da Administración galega que "pon en risco a nosa saúde", unha idea que volveu remarcar onte durante a protesta ante Educación, no edificio de San Caetano. O secretario nacional, Suso Bermello, reivindicou a "dignidade" do colectivo docente e a súa intención de "protexer" o alumnado, polo que non serán "cómplices da irresponsabilidade" do Goberno galego no regreso ás aulas, subliñou. Bermello tamén insistiu na "improvisación" que obriga as direccións dos colexios e un profesorado sen formación previa a liderar os procesos de adaptación dos centros e os plans de continxencia nuns prazos inasumíbeis e sen recursos suficientes. "A Consellaría limitouse a trazar unha liñas xerais. Optou por calquera medida antes do aumento orzamentario e de persoal necesario para unha atención de calidade, tanto desde a perspectiva educativa como sanitaria", remarca a CIG-Ensino. A confirmación chega desde os colexios, que levan unha semana traballando a contra reloxo para recibir o alumnado. "Comezamos xa na recta final de agosto. Traballamos mañá e tarde e seguimos acumulando un carga imposíbel de asumir en tan pouco tempo", sinala Pilar de Araújo, directora do CEIP Emilia Pardo Bazán, de Vigo. Servizos mínimos abusivos "A Consellaría esixe que adaptemos a organización e o funcionamento do curso escolar ao protocolo Covid-19, mais sen un aumento nin dos orzamentos nin do persoal docente nin dos equipos de limpeza e comedor; sen rebaixar a relación de alumnado por aula e sen ningún tipo de liberación horaria para o Equipo Covid. Temos moito que facer pero non dispoñemos de tempo", asegura Pilar de Araújo, xa que a organización das aulas, a reforma do comedor e a distribución do alumnado exixiulles unha dedicación que aínda segue a ser necesaria. Vestimos de negro en sinal de protesta por uns servizos mínimos abusivos que impediron o noso dereito a folga e ameazas de sanción á dirección en caso de desobediencia. Sobran motivos para secundar a folga convocada polas organizacións sindicais, incide a directora en declaracións a Nós Diario. Mais malia a intención inicial de todo o profesorado do CEIP Emilia Pardo Bazán de apoiar o paro, o equipo docente acudiu ao centro ao completo, vestido de negro e cunha soga ao pescozo en sinal de protesta non só polas condicións do arranque do curso escolar, senón por "uns servizos mínimos abusivos impostos a última hora pola Consellaría que impediron o noso dereito a folga e ameazas de sanción á dirección en caso de desobediencia", asevera o colectivo. "Agradezo as mostras de apoio do profesorado e da comunidade educativa. Abrimos as portas do colexio, si, pero de case 400 alumnos e alumnas viñeron cinco, e quedaron catro; mais insisto en que o importante aquí son as razóns que fan desta folga unha medida de presión urxente", conclúe De Araújo. A este respecto, os sindicatos trasladaron a súa desconformidade cun servizos "máximos" que vulneraron o dereito do colectivo de traballadores do ensino a facer folga. "Unha aberración", dixeron, que, malia todo, contou co aval do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. Nun auto emitido con data do 9 de setembro, o TSXG manifesta que "poucas veces a Administración, á hora de fixar os servizos mínimos esenciais ante a convocatoria dunha folga, foi tan clara e precisa na xustificación das medidas adoptadas". Intranquilidade O alumnado volveu ás aulas entre a preocupación e o enfado das familias. Sen programas de conciliación, con colexios en obras, con aulas nas que resulta imposíbel manter a distancia mínima de seguridade e grupos de convivencia estábel insostíbeis. Cun funcionamento sen marxe para a interacción entre o alumnado, con aulas de psicomotricidade suspendidas para as idades máis miúdas por falta de recursos para unha desinfección segura, con estudantes que, en caso de chuvia, non abandonarán a aula nin durante o recreo nin para xantar, xa que ese tamén será o seu comedor. O desasosego ás portas das escolas percibiuse máis a través das angustias compartidas que dos rostros cubertos polas máscaras, de uso obrigatorio. Con tempos taxados para as entradas, con horarios estritos e numerosos carteis que lembran as principais normas de uso do espazo escolar. Non nos negamos a iniciar o curso escola, negámonos a inicialo como se non pasase nada. O anoxo foi máis visíbel en centros como o CPI de Mosteiro-Meis, onde o curso comezou cun equipo directivo suplente -un profesional, segundo os sindicatos- após un positivo por coronavirus que levou a dirección a gardar corentena a canda parte do profesorado. Malia as peticións tanto da ANPA como da CIG-Ensino para adiar o inicio das aulas, o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, avogou por iniciar o curso con "normalidade". "Iso si, sen equipo directivo, sen rematar de aplicar os protocolos planeados, sen o comedor organizado", censura o sindicato, poñendo "en perigo a saúde do alumnado e do persoal docente". "Non nos negamos a iniciar o curso escolar" manteñen desde a ANPA A Capela, "negámonos a inicialo como se non pasase nada", salientan. E na mesma liña, os pais e nais do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé, das Neves. Mañá non van levar ao colexio o alumnado de 5º de primaria ante a negativa de Educación a desdobrar o grupo en dous "como vimos reivindicando desde o primeiro día e xa solicitou a dirección do centro" afirma Gloria Mariño, presidenta da ANPA Eira da Liñaza. "Sabemos que non podemos estender nos días esta protesta máis queremos que quede constancia dela". Oposición No inicio do curso, a portavoz do BNG, Ana Pontón censurou censura "os bandazos" da Xunta, que planificou o regreso ás aulas "como se non houbese pandemia". Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, afirmou que o Goberno galego chega cos deberes sen facer froito "da inacción, o desleixo e falla de xestión", a pesar de que a Xunta "ten as competencias en Educación". |
NOS_42297 | A decisión tería o apoio de varios sindicatos.A CIG decidirá esta tarde que posicionamento adoptar. Esta segunda feira o protesto fai 3 meses. | Suspendida a greve na administración de xustiza, que esta segunda feira fai 3 meses. Así o confirmaron a Sermos Galiza fontes sindicais, que fan fincapé en que a greve non se desconvoca, simplemente se suspende 'sine die' para intentar chegar a un acordo. A decisión valórase en asembleas que se están a realizar esta segunda feira, xuntanzas nas que -segundo estas fontes- CUT e STAJ apoian este paso mentres que a CIG comunica o seu desacordo. Porén, a posición definitiva desta central vaise adoptar nesta tarde. A Xunta indica que está disposto a sentarse cando sexa para asinar o acordo, mais o acordo asinado hai uns días con varias centrais sindicais e que foi desbotado polo resto das que integraban o comité de greve. A semana pasada CCOO descolgábase da greve, indicando que entendía que era momento de poñerlle fin á mesma e animando a súa afiliación a reincorporarse ao traballo esta segunda feira. A decisión adóptase no día en que os edificios administrativos da Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo acolleron concentracións en solidariedade cos traballadores e traballadoras da administración da xustiza, que levan 3 meses en greve. Unhas concentracións, nas que, para alén de expresar o apoio ás grevistas, demandaban da Xunta de Galiza a negociación final do seu acordo retributivo, para que se poña fin ao conflito. |
NOS_13646 | Marcha a Madrid, como asesor, ao gabinete de Yolanda Díaz no Ministerio de Traballo. | Manuel Lago xa non é deputado e portavoz do Grupo Común da Esquerda, a coalición parlamentar entre Podemos, Esquerda Unida e Anova na Cámara galega. Onte formalizou a súa renuncia ao escano que lle correspondía diante da Mesa do Parlamento para comezar o seu labor no Ministerio de Traballo. "As prioridades están ben definidas no programa de Goberno e son facer unha política a favor da maioría social, das traballadoras, actuando sobre a reforma laboral para ter un marco normativo favorábel á estabilidade no emprego", salientou Lago, quen recoñeceu que marcha "triste" pero voluntariamente do Parlamento galego. "Comezamos cun avance extraordinario para a sociedade española, e galega, que é a suba do salario mínimo interprofesional", celebrou Lago nos corredores do Parlamento, onde se puido despedir do presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, do portavoz dos populares, Pedro Puy, e do líder dos socialistas, Gonzalo Caballero, entre outros. Lago referiuse a que o salario mínimo "se achega a unha cifra coa que unha persoa pode vivir dignamente" e a que foi froito dun "acordo social" cos sindicatos, "en tempos de crispación política" a causa dos "conflitos artificiais" da "ultradereita". |
PRAZA_9741 | O xornalista de eldiario.es Carlos Hernández publicou a investigación Los campos de concentración de Franco, que detalla a localización e características de 300 campos creados polo ditador, nos que foron recluídos case un millón de prisioneiros. Repasamos os 11 campos galegos | Franco puxo en marcha ao redor de 300 campos de concentración en España nos que foron recluídos entre 700.000 e 1 millón de presos que sufriron duras condicións (fame, torturas, humillacións...) e que en moitas ocasións foron ademais obrigados a traballar en distintas obras públicas e privadas. Máis de 10.000 morreron nos campos, aínda que a cifra podería ser moi superior. Moitos campos funcionaron unicamente entre 1936 e 1939, pero moitos outros mantiveron a súa actividade nos anos da postguerra, chegando nalgún caso ata finais dos anos 50.A orde para a súa posta en marcha foi dada polo propio xeneral Franco o 20 de xullo de 1936, dous días despois do Golpe de EstadoSon os resultados da investigación publicada hai unhas semanas polo xornalista de eldiario.es Carlos Hernández, Los campos de concentración de Franco. O libro amplía notablemente o número de campos que ata agora se coñecían (os estudos máis fiables cifrábanos en 188) e afonda na súa historia e características. Había campos de distintos tipos e os propios prisioneiros eran clasificados en distintas categorías: foraxidos (os máis perigosos), bellacos enganados (persoas que loitaran con convencemento no exército republicano pero que podían ser recuperados) e irmáns (persoas con ideoloxía franquista que tiveran que loitar no bando republicano).Nos 300 campos de concentración foron recluídos entre 700.000 e 1 millón de presosHernández salienta que os campos funcionaban como un elemento máis nunha "estratexia de terror" e a súa existencia non foi en absoluto casual. A orde para a súa posta en marcha foi dada polo propio xeneral Franco o 20 de xullo de 1936, dous días despois do Golpe de Estado.En Galicia funcionaron cando menos 11 campos, situados principalmente nas provincias da Coruña e Pontevedra. A maior parte utilizaron instalacións xa existentes: mosteiros, colexios ou fábricas, aínda que algún foi construído en terreos abertos, sen uso previo.Os 11 campos galegosBetanzos. Campo de longa duración con capacidade para 2.000 prisioneiros, situado na fábrica de curtidos Echeverría e -durante algún tempo- no propio Parque do Pasatempo. Estivo en funcionamento entre agosto de 1937 e, cando menos, maio de 1939Cedeira. Campo de longa duración situado nunha antiga fábrica de salgado que chegou a acoller un milleiro de prisioneiros. Estivo en funcionamento entre outubro de 1937 e novembro de 1938, cando menos. O paseo marítimo da localidade foi construído sobre o lugar que ocupaba o edificio.Ferrol. Campo de longa duración situado no interior do Arsenal militar da cidade. Para recluír aos prisioneiros utilizáronse unha serie de naves e tamén tres buques fondeados no porto.Muros. En Muros coexistiron dous campos de concentración: un situado nunha fábrica de salgado na praia da Rocha e outra nas instalacións da conserveira Vieta, preto do Faro do Rebordiño. Funcionaron entre outubro de 1937 e febreiro de 1938, cando menos.Padrón. Campo de longa duración situado nas instalacións dunha azucareira en Iria Flavia. Estivo activo entre decembro de 1937 e abril de 1940 e tiña capacidade para 1.700 prisioneirosA Pobra do Caramiñal. Na Pobra funcionaron dous campos, un nas instalacións da conserveira El Pozo, situada na desembocadura do río Pedras con capacidade para 1000 prisioneiros. Operou entre xaneiro e novembro de 1939. O outro comezou a funcionar en abril de 1939 nunha conserveira do ArealRianxo. Campo de longa duración situado nunha fábrica de salgado da familia Goday que chegou a ter capacidade para 2.000 prisioneiros e que funcionou entre outubro de 1937 e decembro de 1939. A fábrica foi derruída e o predio foi ocupado por unha urbanizaciónSantiago de Compostela. Nun terreo situado a carón do aeroporto de Lavacolla funcionou en 1939 un campo con capacidade para 2.000 prisioneiros. En novembro de 1939 foi reconvertido en sede de batallóns de traballadores.Leiro. Situado no Mosteiro de San Clodio, que funcionou como campo de concentración nalgún momento do ano 1939. Hoxe é un hotel de luxo.A Guarda. Campo de longa duración, situado no convento e colexio dos xesuítas de Camposancos. Superou amplamente os 2.000 prisioneiros, aínda que a súa capacidade era inferior ao milleiro. Estivo activo entre 1936 e 1939.Oia. Campo intermitente que utilizou as instalacións do mosteiro de Santa María e que chegou a recluír a 3.000 prisioneiros, operando durante varios meses de 1937 e 1939.E algún outro, non confirmado...No libro, Carlos Hernández inclúe información sobre algúns campos cuxa existencia non puido certificar por completo, pero sobre os que si existen referencias orais ou documentais. Tres deles son galegosA Coruña. Na documentación oficial aparecen citados en 1939 dous campos de concentración de nova creación na cidade da Coruña, que meses despois non figuran nos rexistros, aínda que si se menciona o traslado de presos a un campo da cidade. Tamén se cita en ocasións a Praza de Touros como "campo proposto".Santiago de Compostela. Ademais do campo de Lavacolla, na documentación oficial cítase un predio de catro quilómetros ofrecido para acoller 1.000 prisioneiros.Ribadeo. Na documentación oficial franquista fálase da existencia dun campo en 1938. |
NOS_50953 | A taxa de positividade continúa por baixo de 2%. | Os novos contaxios de Covid-19 repuntaron a 85 na segunda xornada do verán e os casos activos ascenderon a 1.274 tras varios días en descenso, mentres que a presión hospitalaria reduciuse ao caer a 50 os pacientes hospitalizados no conxunto da Galiza por este coronavirus, que supoñen nove menos. Segundo os datos publicados na mañá desta terza feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta segunda feira, os pacientes Covid ingresados en UCI descenden a 15 -un menos- e os que permanecen noutras unidades baixan a 35 -oito menos-. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende en seis das sete e unicamente sobe lixeiramente na de Lugo, que segue cun paciente Covid en UCI e conta con catro noutras unidades -un máis-. En canto aos casos activos de Covid freouse a tendencia descendente após catro xornadas consecutivas e aumentan a 1.274, que supoñen 24 máis que a xornada anterior, ao haber menos altas (+61) que contaxios (+85). Con todo, mantéñense en niveis de finais da primeira quincena de agosto do ano pasado. Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden nas de Vigo (-6), Ferrol (-5) e Ourense (-1), mentres que aumentan nas da Coruña e Cee (+19), Lugo (+10), Pontevedra e O Salnés (+4) e Santiago e Barbanza (+3). Con respecto aos novos contaxios de Covid detectados con calquera tipo de proba repuntan a 85 após arrincar a semana con 56, o que supón 29 máis no conxunto de Galiza. Foron confirmados 83 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados por Sanidade, 27 máis que a xornada pasada, dos cales 34 corresponden á área da Coruña e Cee; 16, á de Lugo; 12, á de Pontevedra e O Salnés; nove, á de Vigo; seis á de Santiago e Barbanza; e outro seis, á de Ourense, mentres que non se rexistrou ningún na de Ferrol. En canto á taxa de positividade, continúa por baixo do 2% ao se situar nun 1,76% após iniciar esta semana cun 1,8%. Segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. A última vez que Galiza sobrepasou esta barreira foi o 15 de febreiro. As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia mantéñense en 2.434 ao non notificar a Consellaría de Sanidade esta segunda feira novos falecementos. |
NOS_27052 | Trátase dunha das festas máis singulares do verán galego. Na Feira Franca de Pontevedra a historia colle corpo, encárnase, e milleiros de persoas reviven aquel ano de 1467 en que o rei Henrique IV de Castela outorgou á cidade o privilexio de instaurar un mercado libre de impostos dun mes de duración 15 días antes e 15 días despois de San Bartolomeu, 24 de agosto. Esta fin de semana, 6 e 7 de setembro, celebra a súa vixésima edición. | Se algo diferencia a Feira Franca doutras feiras chamadas medievais que nos últimos anos inzan vilas galegas é a procura de certo rigor epocal. Ambientada na Baixa Idade Media, a de Pontevedra, que organiza o concello e cuxo epicentro é a Praza da Ferrería, vixía o espazos e ambientación. Os postos deben ser de madeira ou cubertos de tecidos rústicos, e sen elementos anacrónicos. A louza, de madeira ou barro. O plástico está terminantemente prohibido. Ademais, a organización insta ás persoas participantes a "vestir traxes adecuados á época histórica da festa". Que é a segunda metade do século XV, xusto cando estalaba a segunda Guerra Irmandiña (1466-1469) e a Irmandade Xeral do Reino de Galiza controlaba o territorio após derrubar máis de 130 fortalezas. A música tamén contribúe a esta viaxe no tempo e, de feito, os impulsores da festa dispoñibilizan unha lista de reprodución ao caso: DOA, Ensemble Galatia, Trío Sefardí, Béla Bartók, Coro Ultreia ou interpretacións diversas de Martin Codax. A Feira Franca ten o núcleo na Ferraría, onde se lembran oficios tradicionais, pero esténdese por todo o casco vello. Na praza de Santa María instálanse os artesáns, nesta ocasión 37. E na Alameda e a praza de Curros Enríquez, os espazos dedicados á alimentación, 33 desta volta. Nesta fin de semana haberá 400 mesas de xantar, 250 de particulares e 150 de hostalaría. As visitantes, segundo datos da organización, excederán as 100.000 persoas. "A Feira Franca é, dende hai anos, unha cita ineludíbel para as xentes de Pontevedra e os milleiros de visitantes", indican os impulsores, a Concellaría de Festas, "unha viaxe ao século XV participada por toda unha cidade, unha vivencia única habitada por artesáns, canteiros, ferreiros, palillleiras, cesteiros, oleiros, redeiras, carpinteiros, músicas, xograres, campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes, damas e cabaleiros". En 2013 a Xunta declarouna Festa de Interese Turístico. Embarcacións tradicionaisA verosemellanza que persegue o evento, e que é talvez a característica principal da proposta, tamén incumbe as recreacións de actividades de raíz histórica: o transporte de viño, o torneo medieval, os espectáculos de cetraría, a esgrima, o tiro con arco ou exhibicións de música e danza. A partir do ano 2006, a Feira Franca ten ademais leit motiv: os Irmandiños en 2006, as cantigas de amor, escarnio e maldicer en 2009 ou os bestiarios medievais en 2017. En 2019 será a propia Feira Franca e recuperáranse actvidades realizadas ao longo das vinte edicións. Este ano haberá con todo unha novidade importante: unha vintena de embarcacións tradicionais sucarán o río Lérez a tracarán entre Ponte da Correntes e a Ponte do Burgo. "Colaboramos coa Federación Culturmar por ser a entidade que, a nivel galego, promove e promociona a cultura marítimo-fluvial de Galiza", sinalou esta cuarta feira a concelleira de Festas Carme da Silva, e polo seu importante traballo de recuperación de embarcacións tradicionais". "Cando a noite se vaia alongando ata durar case tanto coma o día, cando as flores do viño vello compartan mantel cos acios da nova colleita; cando creas que o verán se está indo a acubillar no manto do outono; cando semelle que a festa esmorece e a luz de Sirius se recolle, garda folgos porque está preto o punto culminante da época estival: a Feira Franca de Pontevedra!", chama á participación a páxina web da festa. Nota: cartaz da vixésima edición da Feira Franca de Pontevedra. |
NOS_46081 | A AJA Galiza lembra a Celeste Caeiro, a lisboeta de orixe galega que deu nome ao levantamento pacífico en Portugal. | Na madrugada do 25 de abril de 1974, unha operación instigada polo Movemento das Forzas Armadas (MFA), desatada ao soar Grândola, Vila Morena en Rádio Renascença, rematou coa ditadura en Portugal, que se alongara durante 48 anos. Aquel día a democracia abriuse paso no país veciño. Así as cousas, aquela data sería por sempre coñecida como a Revoluçao dos Cravos, en referencia á icónica imaxe de centos de manifestantes colocando caraveis nos fusís dos militares, que foran enviados polo Goberno da ditadura para conter as mobilizacións, mais negábanse a abrir fogo contra a poboación civil. A responsábel da acción, tal e como lembra este domingo o núcleo na Galiza da Associaçom José Afonso, foi Celeste Caeiro, unha lisboeta de orixe galega empregada nun restaurante que ese día ía celebrar o seu primeiro aniversario. Por iso mercara as flores. Porén, o local non abriu aquel día, xa que nas rúas estaba a decorrer unha revolución pacífica. "A Celeste foi ao Rossio, onde os tanques militares aguardavam ordens de Salgueiro Maia, levando as flores consigo. Um soldado pediu um cigarro à Celeste, mas nom era fumadora e tudo o que tinha para lhe dar era um dos cravos que tinha trazido do restaurante", explica a AJA. O soldado aceptou o caravel e colocouno no canón da súa arma. Os seus compañeiros repetiron o xesto e Caeiro repartiu todas as flores que tiña. Horas máis tarde, moitas e moitos floristas sumáronse a esta acción simbólica e comezaron distribuír esa flor que hoxe é "símbolo da liberdade e a luita contra o fascismo". Celeste Caeiro cumprirá 88 anos o vindeiro 2 de maio. Grândola, o outro símbolo da revolución vencellado á Galiza "O povo é quem mais ordena", reza o Grândola, o himno composto por José 'Zeca' Afonso que sonorizou a revolución portuguesa. Porén, un feito pouco coñecido é que a canción non soou por primeira vez en Portugal, senón na Galiza. O Zeca, firme defensor da unión social e cultural dos pobos luso e galego, interpretou o Grândola o 9 de maio de 1972, dous anos antes da Revoluçao dos Cravos, ante 2.000 persoas congregadas diante do Burgo das Nacións de Compostela. Era a súa primeira xira musical pola Galiza. |
NOS_11181 | Segundo a empresa que obtivo as imaxes, "só unha forza extrema pode dobrar metal tan groso da maneira que estamos vendo nos vídeos". | O xornal sueco Expressen publicou esta terza feira varios vídeos nos que se pode ver o actual estado do gasoduto Nord Stream, canle de distribución de gas desde Rusia a varios países europeos, despois de que o pasado 27 de setembro se detectasen varias fugas no mar Báltico. Alerta en Dinamarca e Suecia por fugas de gas no Nord Stream Nas imaxes, obtidas con drons submarinos da empresa norueguesa Blueye Robottics, vese como o leito mariño arredor da tubaxe está gretado. Ademais, e segundo afirma a compañía de robótica, desapareceron uns 50 metros de canalización. video of the damaged Nord Stream pipelines, shot by an underwater drone operated by @Expressen. Copenhagen police and Norwegian investigators said today that the damage was caused by "powerful explosions." pic.twitter.com/7XKq4XIuQT— Mike Eckel (@Mike_Eckel) October 18, 2022 "Faltan varias partes do gasoduto e outras están soterradas de maneira violenta", indicou Expressen nun comunicado, no que tamén salientou que ambos os extremos da tubaxe nos puntos nos que se detectaron as explosións están "retorcidos" e "desgarrados". Unha fuga nun oleoduto en Polonia pon en risco a subministración de Alemaña Segundo a empresa, "só unha forza extrema pode dobrar metal tan groso da maneira que estamos vendo nos vídeos". Estas imaxes reforzarían a teoría de que o gasoduto Nord Stream sufriu unha sabotaxe con artefactos explosivos. Potentes explosións Tamén esta terza feira a Policía de Copenhague confirmou que os danos na tubaxe foran producidos por "potentes explosións", aínda que non manifestou se estas ocorreran de maneira accidental ou premeditada. Desde o momento no que se detectaron as fugas no mar Báltico, varios países e Rusia cruzaron continuas acusacións sobre a responsabilidade das mesmas. Gobernos como o estadounidense e o polaco, entre outros, acusaron Moscova de ter sabotado o Nord Stream para non ter que subministrar gas natural a países da Unión Europea (UE). O Kremlin pronúnciase sobre o Nord Stream: "Este gas custa moito diñeiro" O Kremlin respondeu, a través do portavoz da Presidencia rusa, Dmitri Peskov, a estas acusacións, cualificándoas de "previsibelmente estúpidas". Peskov alegou que "este é un gran problema para nós". Ademais, o portavoz do Kremlin tamén quixo tratar unha posíbel implicación dos Estados Unidos de América no asunto, manifestando que "hai moitas preguntas sobre o que pasou". "Estamos a ver os enormes beneficios dos provedores de gas natural licuado dos Estados Unidos, que multiplicaron as súas entregas ao continente europeo", engadiu. |
NOS_41548 | Despois de anunciar a Xunta un Plan de Dinamización Demográfica, negaron o apoio a unha proposición non de lei do BNG que pretendía incrementar as partidas orzamentarias destinadas a esta prestación até as cantidades fixadas nos orzamentos de 2010, e que a cobrase quen presentase a declaración de Facenda aínda sen estar obrigad@ | Tras o anuncio da Xunta de Galiza dun Plan de Dinamización Demográfica onde os dereitos sociais das mulleres non se contemplan e que en breve chegará ao Parlamento, o PP vén de votar en contra dunha proposición non de lei do BNG que tiña por obxecto instar o Goberno galego a incrementar as partidas orzamentarias destinadas á prestación económica de 360 euros ás persoas con fill@s menores de 3 anos a cargo nas cantidades que figuraban nos orzamentos de 2010. Desde a formación frontista, o deputado Manuel Parga criticou que o PP "teime en pór trabas", no lugar de apoiar medidas a prol da conciliación da vida laboral e persoal, mentres "predican a necesidade" de dinamizar a demografía nun plan que, segundo explicaron desde a Xunta, inclúe incentivos fiscais para as familias. "E hoxe que teñen a oportunidade de aprobar unha iniciativa garantindo eses incentivos, votan en contra", queixouse Parga. A proposta d@s nacionalistas procuraba garantir o acceso a esta prestación ás persoas que, tendo ao seu cargo fill@s desa idade, presentaron "voluntariamente" a declaración de Facenda, "aínda sen estar obrigadas por razón dos seus ingresos". Parga recoñeceu que o problema demográfico que sofre Galiza "é preocupante", mais desbotou a posibilidade de mudar a situación "coa secuencia de plans propostos polo Goberno, que non son máis que cantos de serea con moi pouca credibilidade". Na liña, o deputado do BNG arremeteu contra a Xunta, ao entender que "non deixan de aplicar recortes nas prestacións ás familias e nos servizos públicos básicos, cun incremento substancial das matrículas nas escolas infantís", e puxo cifras riba da mesa: a consellaría de Traballo e Benestar mantivo nos orzamentos o recorte nas partidas destinadas a tales prestacións "por segundo ano consecutivo", pasando de 4.950.000 en 2011 a 2.700.000 en 2012. A maiores deste recorte, unha orde de 30 de Decembro de 2011 e tamén desta Consellaría, fixa as novas bases que rexerán a concesión de prestacións ás persoas con fill@s menores de tres anos, das que fican á marxe aquelas fagan a declaración ante Facenda pese a non ficar obrigadas. Segundo valorou Parga, está a restrinxirse á metade e "inxustamente" o número de beneficiari@s de 2010, e fomentando que as familias con menos recursos deixen de recibir o pagamento. "A cantidade non é moi elevada, mais pode suporlles un alivio económico importante", razoou o deputado. |
NOS_40061 | A xa ex presidenta do Parlament insiste en que é inocente dos delitos polos que está acusada. | A Mesa do Parlament de Catalunya, a través dunha moción apoiada por ERC, CUP e PSC, decidiu retirar a condición de deputada, e por tanto de presidenta da Cámara, a Laura Borràs. Fiscalía solicita 6 anos de prisión e 21 de inhabilitación para Laura Borràs A pasada terza feira, o Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya citou a dirixente de Junts por presuntos delitos de prevaricación e falsidade documental no fraccionamento de varios contratos. Con esta decisión, a Mesa do Parlament dá cumprimento a súa normativa, que estabelece que, nos casos de apertura de xuízos orais por delitos relacionados coa corrupción, o deputado ou deputada implicada deberá ser cesada das súas funcións. Laura Borràs, a un paso de xuízo por presunta corrupción Agora, será a representante de ERC e ex conselleira de Saúde en Catalunya Alba Vergès quen ocupe de maneira interina o cargo de presidenta do Parlament, mentres a súa formación e Junts negocian un novo deputado dos segundos para asumir o cargo, tal e como estabelece o acordo de Goberno firmado por ambos partidos. Comparecencia de Borràs Despois de coñecerse o veredicto da Mesa (5 votos a favor de ERC, CUP e PSC por un en contra de Junts), Borràs compareceu ante os medios de comunicación para valorar a decisión. Laura Borràs: "A prisión é a ameaza coa que tentan disuadirnos" A xa ex presidenta do Parlament non dubidou en cargar contra os deputados que votaron pola súa suspensión, ademais de cualificalos como "xuíces hipócritas". Borràs estivo acompañada pola súa filla, ademais de polo ex presidente de Catalunya Quim Torra e o deputado de Junts Francesc de Dalmases, entre outros. No exterior do Parlament e mentres se producía a votación, unhas 400 persoas manifestábanse en contra da suspensión da deputada catalá, que insiste na inocencia dos seus actos durante o seu paso pola Institució de les Lletres Catalanes. |
NOS_35968 | Centos de persoas secundaron as mobilizacións nas cidades galegas contra o operativo policial desta cuarta feira contra o referendo. | Centos de persoas saíron na noitiña desta cuarta feira á rúa nas cidades galegas para rexeitar a operación policial que decorreu en Barcelona contra o referendo do 1-O e que se saldou coa detención de 14 persoas. A defensa dos dereitos civís e do dereito do pobo catalán a autodeterminarse foron os dous eixos básicos que alicerzaron as concentracións, convocadas pola Plataforma Galiza con Catalunya e que decorreron nas sete principais cidades galegas: Compostela, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol e Ourense. "Están poñendo en evidencia que se está aplicando o artigo 155 da Constitución de maneira encuberta", afirma a plataforma. Por iso, reiterou, "queremos expresar a nosa máis rotunda condena a estes feitos". As persoas que se manifestaron expresaron a súa solidariedade e apoio para co dereito do pobo catalán a elixir o seu futuro, denunciando a aposta do Estado español na vía represiva, con detencións, rexistros, prohibicións de actos, comisos de diverso material, intervención de correspondencia... Algunhas persoas exhibiron papeletas de voto para o referendo, como as que está a requisar a Garda Civil en diferentes puntos de Catalunya. En Compostela, a concentración en Toural saiu en manifestación para percorrer diferentes rúas da capital. Nos últimos días decorreron en Galiza diversos actos de apoio ao proceso que se vive en Catalunya. En Ribeira, o Concello denegou a Galiza Nova o uso dun local municipal para a realización dunha palestra sobre o dereito a decidir das nacións sen Estado. Faino indicando que "puidese interpretarse a cesión da sala por parte do Concello como favorecer un acto de apoio a un referéndum convocado por unha lei que foi suspendida polo Tribunal Constitucional". Manifestación A plataforma Galiza con Catalunya -constituída por organizacións sociais, culturais, políticas e sindicais galegas en apoio ao proceso catalán- anunciou esta cuarta feira a convocatoria dunha manifestación que terá lugar en Compostela o vindeiro sábado día 30 de setembro, con saída ás 12:00 horas da Alameda, "en apoio á democracia e ao dereito a decidir do pobo catalán". Imaxes de @cerna, @BNG_comarcaAC @anovaourenase e Pili Lueiro. |
NOS_35290 | A Xunta informou esta terza feira de que hai só 35 clases sen actividade, mentres que o venres eran 51. Entre a comunidade educativa galega quedan 1.179 casos positivos por coronavirus. | A presión da Covid-19 nas residencias de maiores redúcese moi pouco a pouco pero os centros educativos teñen mellor sorte, cando menos polo momento. A Xunta informou hoxe de que o número de aulas fechadas por algún positivo e a consecuente corentena para o grupo baixou de 51 a 35. Neste momento hai 1.170 infectados na comunidade educativa, entre os que habería que sumar alumnado, profesorado e o resto de traballadoras e traballadores de gardarías, escolas infantís, colexios e institutos. É dicir, a estatística de persoas infectadas continúa a baixar día tras día. Esta terza feira a única instalación que se viu obrigada a facer uha parada total é a gardaría Xirandola de Compostela. A escola parou a súa actividade após detectarse un positivo. No entanto, o centro máis afectado de todo o país é o CEIP Fogar de Carballo (A Coruña), onde malia a baixar os contaxios segue habendo 25 doentes. Por áreas educativas, é a de Vigo a que ten peor situación, pois a Xunta suma 321 individuos con síntomas de coronavirus. Na Coruña a cifra queda en 271, sendo unha zona na que aumentan en seis os casos con respecto a onte. Nesa mesma situación de ascenso atópase Pontevedra, mais neste caso só houbo dúas infeccións máis nesta última xornada. O cómputo global é de 158, mentres en Lugo o balance é de 162 enfermas e enfermos no ensino. Na demarcación de Compostela, segundo as autoridades educativas, hai 119 pacientes aínda afectadas pola Covid-19. As clases fechadas son catro (onte eran oito) pero é o único entorno no que foi preciso paralizar a normalidade nunha gardaría. As áreas menos afectadas son Ourense e Ferrol. Nas dúas comarcas de referencia hai 74 doentes, respectivamente. |
NOS_10316 | Humano, sen temor a falar dos seus medos, da dor e das dúbidas, sentimentos cos que está moi familiarizado porque os viviu en primeira persoa, Pablo Insua (Arzúa, 1993) quere deixar definitivamente atrás o calvario das lesións de xeonllo que padeceu en 2019 e 2021 para, o próximo ano, volver ser a referencia dos defensas galegos. | A principios do mes de maio de 2021 as probas médicas confirmaban o diagnóstico: rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito. O equipo estaba loitando pola salvación -acabaría descendendo- e vostede era un home con bastante minutos, con 20 partidos ás súas costas e 17 titularidades. Como afrontou animicamente esa inoportunísima lesión? Leveino mal, pero ao mesmo tempo ben polo feito de pasar por unha experiencia moi similar pouco antes. Sabendo ao que me enfrontaba, tomeino con máis serenidade, pero é fodido, sobre todo nos primeiros días, cando dis: "Por que a min outra vez? Que fixen mal...?". Pero ao final son cousas que lles pasan aos futbolistas e hai que vivir con iso. Isto chegaba apenas dous anos e tres meses despois de que, como apunta, en febreiro de 2019 padecese a mesma lesión, pero no outro xeonllo, o esquerdo. Que semellanzas e que diferenzas viviu ao longo do proceso de recuperación? A cirurxía foi diferente, pois a primeira foi do tendón rotuliano e a segunda no músculo semitendinoso, e a recuperación, especialmente ao principio, foi moito menos dolorosa e máis rápida. Ademais, a primeira vez tiña tocado tamén o menisco, que o dificulta todo un pouco máis. E, claro, xa estaba preparado para o que tiña por diante: sentirme incapaz, que os primeiros días sexan duros e dolorosos, necesitar axuda para todo... Pero, como se di, o sol sempre acaba por saír, e acaba de regresar á acción na Copa do Rei. Como foi ese momento de volver sentirse xogador de fútbol? Moi especial. Sempre pasa cando estas moitos meses fóra da competición, e a pesar de que levaba varias semanas adestrando, nunca é o mesmo. Nun primeiro momento podes ter, quizais, algo de medo, de dúbidas, do que pasará nese primeiro partido, pero cando ves que pasan os minutos e que todo vai ben e normal, estás súper ben contigo mesmo cando remata o xogo. Deixando a un lado esas lesións que tanto lle golpearon a pesar da súa xuventude, falaba eu hai un ano aproximadamente nestas páxinas de Nós Diario co seu compañeiro Juan Carlos sobre a ampla colonia galega que teñen no Huesca, co propio Juan Carlos, Mosquera, Ferreiro e vostede mesmo, curiosamente máis que cando debutou co primeiro equipo do Deportivo aló pola tempada 2012/13. Como se leva compartir vestiario con tanta xente da terra nun equipo dunha localidade a case 1.000 quilómetros de distancia? A verdade é que si que é curioso (ri). Temos un gran núcleo galego que leva xa moitos anos xunto no Huesca, e penso que non hai outro equipo fóra da Galiza con catro xogadores galegos no fútbol profesional. Estamos unidos pola terra e temos unha gran relación os catro, que formamos unha pequena familia galega dentro do Huesca. Falando do Dépor, está no seu segundo ano consecutivo na Segunda B, agora Primeira RFEF, a terceira categoría. Continúa atento á actualidade do seu ex equipo? De ser así, como ve as súas posibilidade de ascenso este ano? Si, por suposto que sigo o Dépor, todos os anos. Están facendo as cousas moi ben, o equipo está sendo súper competitivo, adaptándose á categoría e o certo é que lles auguro un futuro moi bo. Se seguen nesta liña está claro que loitarán até o último día polo ascenso, é poden conseguilo. O que vemos, aos deportivistas danos tranquilidade, e penso que o equipo, ao final, logrará o obxectivo. Vostede é todo un experto en ascensos, pois conseguiu tres a Primeira División nas súas tres tempadas en Segunda: unha co Dépor en 2014, outra co Leganés en 2016 e a outra xa co Huesca en 2020. Porén, este ano parece máis complicado que nunca que manteña a súa inmaculada estatística, pois están na posición 11, aínda que a igualdade da categoría déixaos a só catro puntos do sexto posto que dá acceso ao 'play-off'. Por que o equipo non acaba de obter a regularidade que se lle presupón? A nosa primeira volta foi un tanto irregular, pero o equipo nas últimas semanas está mellorando e xa é máis competitivo. Ademais, como dis, a igualdade da categoría fai que a nivel de puntos non esteamos tan lonxe do play-off, pero nesta segunda volta temos que dar un paso adiante, mellorar os rexistros da primeira e ogallá que poidamos loitar por entrar. O seu regreso contriburá a mellorar a súa solidez defensiva? Eu traballo para iso, para tratar de axudar cando o adestrador considere oportuno que poida entrar no equipo e, como defensa, quero contribuír a conseguir esa solidez defensiva, que é un eido no que estamos mellorando bastante. |
PRAZA_19313 | A xustiza investiga se o Sergas elaborou uns pregos pactados entre un taller e as empresas beneficiadas na adxudicación do servizo de ambulancias por máis de 120 millóns. Ambuibérica, presidida por un ex-dirixente do PP, controla seis das áreas en Galicia a través da súa firma e de filiais. | Un concurso de máis de 120 millóns investigado por un posible amaño e unha firma dun ex-dirixente do PP que sae beneficiada e que estende o seu control en Galicia a través de adquisicións e alianzas empresariais. A investigación aberta polo xulgado de instrución número 2 de Santiago na adxudicación dun concurso para as ambulancias do 061 engade balbordo a un sector no que levan anos agromando críticas, tanto polas condicións laborais de moitos traballadores como polas dúbidas sobre as adxudicacións. A xustiza investiga un posible amaño na adxudicación dun concurso para as ambulancias do 061 por máis de 120 millóns A xustiza investiga se houbo delito de prevaricación, información privilexiada e tráfico de influencias no concurso da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, dependente do Sergas, para o servizo de transporte sanitario urxente por 121,6 millóns de euros ata 2019. Dividido en 14 lotes por áreas xeográficas, once empresas repartíronse as adxudicacións, oficializadas no verán de 2015. Pero un dos empresarios aspirantes denunciou e puxo sobre a mesa supostas irregularidades. Empresas beneficiadas terían matriculado e rotulado os vehículos coa simboloxía da Xunta e a Consellería de Sanidade meses antes de que a Administración resolvese a adxudicación e mesmo xa unha semana despois da publicación dos pregos no DOG, en novembro de 2014. Segundo o denunciante, todas as firmas que conseguiron o contrato carrozaron as ambulancias no taller ourensán Rodríguez López -o 95,5% delas- e no portugués Autos Ribeiro. A Administración tería convocado uns pregos que antes lle facilitara un taller ao que acudiron todas as empresas gañadoras Tal e como adiantara Europa Press, a investigación busca determinar se, como di a Policía Xudicial, a Administración puido usar para o concurso pregos de condicións facilitados pola carroceira ourensá, que estaba en conivencia coa de Portugal. Intenta probar que foi "un concurso á carta" -como din a Praza fontes do sector coñecedoras do proceso xudicial- polo que as empresas que traballaban con estes talleres fornecían ás ambulancias dos requisitos e características esixidas polo Sergas e nun tempo récord. A Fiscalía, en outubro de 2015, recomendou admitir a trámite a denuncia e o xulgado abriu a causa, na que xa declarou como investigado o técnico responsable de transporte do 061 que avaliaba os vehículos, e que foi declarada complexa, polo que se aumentou o prazo para instruír dilixencias ata 18 meses. Varias empresas tiñan matriculados e rotulados os vehículos coa simboloxía da Xunta moito antes de que se resolvese a adxudicación O denunciante mesmo achegou datos conseguidos a través de detectives que confirmarían que polo menos unha das empresas beneficiadas tiña matriculados e rotulados xa en xaneiro de 2015 dous vehículos que formaban parte da oferta. Ademais, fontes consultadas por Praza confirman a existencia de correos electrónicos nos que en abril de 2014 o técnico investigado envía a unha carroceira de Madrid planos das ambulancias practicamente idénticos aos que logo se pedirían nos pregos. Neles, o anagrama do taller ourensán Rodríguez López. Nun correo electrónico, un técnico do 061 tería enviado a un taller os planos das ambulancias, idénticos ao que logo se requiriría "Non se cortaron nin en ter vehículos xa mercados e matriculados desde había tempo e á vista de todos", confirman as mesmas fontes do sector, que explican como ás empresas adxudicatarias "sobrábanlles días para ter listas as ambulancias". "Ao primeiro día, todo estaba listo", explican. Ademais, os sindicatos e pequenas compañías xa denunciaran que as condicións esixidas excluían moitas empresas locais do concurso e facilitaban que se recortasen en dereitos laborais para axustar as ofertas. "O plan de formación que pedían só o podían ofrecer firmas grandes", insisten. Pero hai máis. No sector son moitas as voces que sospeitan ou mesmo non teñen dúbidas deste amaño e pregúntanse: "Quen compra a empresa máis grande de ambulancias de Galicia a poucos meses de que saia o concurso se non estás seguro de que vas gañar?". Refírense á compra de Ambulancias do Atlántico a principios de 2014 por parte de Ambuibérica, empresa líder do sector en todo o Estado, con sede en Valladolid e presidida polo ex-alcalde de Mayorga e ex-deputado provincial polo PP en Castilla y León, Carlos Magdaleno. Ambuibérica controla boa parte do territorio galego Ambuibérica é a empresa que tamén controla agora a maior parte do sector das ambulancias en Galicia, onde non tiña presenza destacada até hai uns anos. Faino a través de dúas vías: comprando empresas que xa tiñan concesión ou estaban consolidadas no mercado ou controlándoas con outros socios. Daquel concurso dividido en 14 lotes, a compañía fíxose con seis lotes por un importe total de case 50 millóns, entre os que acadou a través da súa compañía directamente ou mediante as que controla. Dos 14 lotes adxudicados, Ambuibérica fíxose con seis por case 50 millóns entre os seus e os das firmas que controla Así, a Ambuibérica fóronlles adxudicada as áreas de Vigo, Baixo Miño e Bergantiños-Costa da Morte por 26 millóns de euros, mentres que Ambulancias Pontevedra, da que Magdaleno é coadministrador desde hai tan só mes e medio, leva a área da capital provincial por máis de 5 millóns. Ambulancias As Burgas, onde é directivo o seu socio na empresa da cidade do Lérez, xestiona a zona da urbe oruensá por 7,6 millóns, mentres que Ambulancias Ferrolanas, de As Pontes, encárgase de Ferrolterra por máis de 9 millóns. Nesta última firma un dos administradores é Enrique Blanco, socio de Magdaleno en numerosas outras firmas do Estado. Foi a última en controlar o líder dun sector onde xa se fala da súa intención de facerse con Casablanca, que abrangue a zona de Compostela. "Aló onde goberna o PP, entra a súa empresa; controla comunidades enteiras pero Galicia foi dos últimos sitios onde entrou e, se cadra, é o derradeiro visto o que se está a descubrir coa investigación", din fontes coñecedoras do proceso que se a algo lles lembra o proceder en todo o que rodeou o concurso é a outras prácticas que se xulgan estes días e que tamén estaban vinculadas a dirixentes do Partido Popular. "O modus operandi é exactamente o mesmo", rematan. O presidente de Ambuibérica, ex-alcalde e deputado provincial do PP, defende o 'modus operandi' da súa empresa O presidente de Amuibérica asegura a eldiario.es que non recibiu notificación xudicial ningunha e que as ambulancias sempre se rotulan antes: "Sempre se fai así. Ás veces non se consegue a adxudicación pero a rotulación hai que facela". Ademais, lamentou que se relacionase a súa actividade política coa empresarial, na que leva "trinta anos", e aclara que traballaba con comunidades autónomas non vinculadas ao PP, como Cantabría, aínda que o certo é que cando conseguiu o concurso nesa autonomía os populares estaban no poder. En Galicia, e preguntado pola investigación, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avalara manter no seu posto o técnico investigado. "Hai que protexer tamén os empregados públicos, que ás veces teñen denuncias como consecuencia dalgúns intereses. Hai que ver se hai ou non interese lexítimo na denuncia", dixera ao descubrirse o caso, tras destacar a "enorme competitividade" que hai en adxudicacións deste tipo. Ao tempo, toda a oposición uniuse no Parlamento para pedir "explicacións urxentes" ao Goberno galego. Toda a oposición pide "explicacións" á Xunta sobre un concurso con "evidencias específicas" de "uso de información privilexiada" No PSdeG, o parlamentario Julio Torrado reclamou tamén a pasada semana "responsabilidades políticas" polas presuntas irregularidades no concurso e ante as "evidencias específicas" que indican ao "uso de información privilexiada por parte dunha empresa concreta". Antes, desde o BNG, Montse Prado lembrou que a súa formación xa denunciara o devandito concurso pola "temeridade" que supoñía adxudicar un servizo deste tipo "á baixa" e primando "cuesitóns económicas para facilitar o negocio da empresa por riba do servizo". Desde En Marea, a deputada Eva Solla advertiu das "importantes deficiencias" no transporte urxente do 061 en Galicia, con "recursos insuficientes para cubrir todas as zonas sanitarias". |
NOS_46924 | O colectivo reacciona ao testemuño da irmá dunha doente de cancro de páncreas, adiantado por 'Nós Diario', que viu suspendida a intervención após levar unha hora sedada no quirófano por falta de sangue. "Como se xoga sen escrúpulos co sufrimento psicolóxico dos doentes e das familias?", lamentan. | O testemuño dunha doente de cancro de páncreas que viu adiada a súa intervención cirúrxica por falta de sangue nas reservas do Hospital Clínico de Santiago —do que informa Nós Diario esta terza feira—, a pesar de chegar a ser sedada no quirófano, está a provocar múltiples reaccións. A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS vén de emitir un comunicado no que advirte do risco que supón este atraso: "Leva un tempo sen ser tratada con quimioterapia, o que aumenta o risco de metástase e, de chegar a producirse, non habería cirurxía posíbel". Cómpre lembrar que fontes do Sergas consultadas por este xornal afirmaban que a demora —a operación foi fixada agora o día 26 de xullo— "non vai supor un empeoramento na patoloxía da paciente", unha cuestión que replicaba a súa irmá, nunhas declaracións ofrecidas tamén a Nós Diario nas que alertaba do dano a nivel "físico e emocional". Adían unha cirurxía de cancro de páncreas no CHUS por falta de sangue coa doente xa sedada O presidente da Asociación de Pacientes, Fernando Abraldes, apuntaba a este medio que esta situación "non se deriva da falta de doantes, senón dunha mala xestión dos recursos públicos". E nesa liña volve apuntar agora o colectivo. "Unha vez máis o aforro de recursos e a mala organización están prexudicando de forma moi importante as persoas pacientes que precisan atención durante este tempo, tomado polas autoridades sanitarias como 'de vacacións', só que os problemas dos enfermos continúan estando aí", sinalan. A respecto da situación padecida por esta doente, L.L., subliñan que, se ben é "lóxico" priorizar as reservas de sangue en caso de escaseza, "iso non xustifica a falta de previsión e a desorganización evidente, que incrementan aínda máis a sensación de vulnerabilidade e malestar que xa provoca un proceso grave por si mesmo". "Como pode iniciarse unha intervención sen que se comprobe previamente a dispoñibilidade de todos os elementos necesarios?", lamenta o colectivo "Como pode ser que haxa dificultades para atopar data para unha paciente de 'prioridade 1'? Como pode ser que se inicie unha intervención sen que se comprobe previamente a dispoñibilidade de todos os elementos necesarios para levala a cabo? Como se xoga sen escrúpulos co sufrimento psicolóxico dos doentes e das familias?", cuestionan desde a asociación. Así, ven neste caso un "incumprimento flagrante" do artigo 6.1 da Lei de saúde da Galiza de 2008: "Someter unha paciente e os seus familiares a un proceso de atención traumático pola súa transcendencia que deberá ser repetido nas próximas datas constítue non só un maior custo na atención, senón sobre todo unha vulneración de dereitos con amplo amparo legal", indican, sobre este apartado da lei que recoñece "o dereito das persoas á integridade física e psíquica na súa relación co sistema público de saúde". "Non só están prexudicando o noso benestar, están tomando á lixeira as nosas vidas. Como cidadáns, temos dereito a unha atención de calidade nos prazos adecuados tendo en conta a nosa doenza e a que se poñan á nosa disposición os recursos precisos, humanos e materiais, para que poida ser realidade", conclúe o colectivo no seu comunicado. |
NOS_13927 | Aproveitando o comezo das rebaixas, Galiza Nova enceta unha campaña que pide rematar coas "rebaixas laborais" e que esixe "un emprego digno e sen explotación". | Co comezo das rebaixas, este 7 de xaneiro, Galiza Nova iniciou unha campaña encamiñada a recuperar dereitos laborais que se perderon debido ás "reformas laborais impostas polo PSOE e polo PP". Así, na tarde do sábado, Galiza Nova percorreu zonas comerciais en distintas localidades para informar da súa campaña, que carga contra a "precariedade laboral" que sofren sectores como o téxtil e o comercio. A organización xuvenil do BNG advirte do "continuado recorte dos salarios e das condicións de traballo", dos "contratos ultraprecarios, temporais e a tempo parcial", así como do "abaratamento até o extremo do despedimento". "As reformas do PSOE e do PP lograron empobrecernos máis para seguiren a cebar as contas de resultados do empresariado" Os mozos e mozas da formación nacionalista denuncian que as reformas do PSOE e do PP "lograron empobrecernos máis para seguiren a cebar as contas de resultados do empresariado". Unha realidade, din, que se fai máis evidente no sector téxtil e no comercio, co lucro das "grandes empresas multinacionais". "O aumento da explotación laboral é o principal mecanismo que as empresas empregan para abaratar os prezos, desde a manufactura até a venda directa ao público. A deslocalización da produción a outros países é o grao máis brutal desa política", alertan. Galiza Nova chama á concienciación de consumidores e consumidoras e esíxelle ao Goberno español e ao galego a adopción de medidas que poñan fin "á rebaixa dos nosos dereitos laborais". Entre as actuacións que defende a mocidade nacionalista destaca o aumento dos salarios; a derrogación das reformas laborais e da actual negociación colectiva; a eliminación das ETTs, limitación da contratación temporal e a tempo parcial ou a redución da xornada laboral a 35 horas semanais e limitación das horas extra. Galiza Nova pide penalizar as empresas que deslocalicen a súa produción a outros países con peores condicións laborais A organización xuvenil do BNG tamén reclama reactivar a un Marco Galego de Relacións Laborais; unha nova regulación dos horarios comerciais que permita o descanso e a conciliación da vida laboral e persoal e penalizar as empresas que deslocalicen a súa produción a outros países con peores condicións laborais. Galiza Nova, expulsada de Marineda City Un dos repartos de material informativo organizados por Galiza Nova tivo lugar nas inmediacións de Marineda City, o grande complexo comercial situado nas proximidades da cidade da Coruña. Galiza Nova lamentou non poder concluír o reparto debido á Dirección do centro comercial, que enviou persoal de seguridade para expulsar a militancia da praza desta grande área. |
PRAZA_7208 | O Movemento Galego ao Socialismo celebra a súa segunda asemblea co obxectivo de "ampliar a base do soberanismo". Rafa Vilar, a súa cara máis visible, aposta pola "busca de espazos comúns" no nacionalismo que permitan que a suma de siglas "poida multiplicar á hora de chegar a máis xente". | O Movemento Galego ao Socialismo (MGS) celebra este sábado en Pontevedra a súa 2ª Asemblea Nacional, que ten lugar no quinto aniversario da organización e dous anos despois do seu primeiro cónclave. Baixo o lema, Construír e Avanzar. Galiza independente e futuro socialista, busca "consolidar e ampliar a base do nacionalismo político e social" que artelle unha "resposta galega" para rachar co Estado español e co capitalismo. Rafa Vilar, concelleiro do Bloque en Compostela, membro da Executiva do BNG e principal cara visible da Mesa Nacional do MGS repasa a traxectoria e o futuro da formación. Que balance fai destes cinco anos do MGS? O balance destes cinco anos parécenos, en xeral, positivo. Presentamos unha achega ao espazo nacionalista e de esquerdas que significa unha maior identificación en favor das clases traballadoras e unha posición claramente independentista. Ademais, o noso traballó é desenvolvido en espazos máis amplos, tanto no plano político, a través do BNG, como no sindical, na CIG, ou nos movementos sociais e xuvenís. "Estamos nun momento de moita efervescencia política que necesita apousar" Como obxectivo desta 2ª asemblea márcanse o de "alargar o espazo social do soberanismo de esquerdas na nosa nación é afortalarmos a organización". Como se logra iso nestes momentos tan convulsos da política? É un momento de moita efervescencia que necesita apousar. Aparecen propostas diferentes e algunhas vense moi conxunturais e outras de longo percorrido. Neste escneario de grande confusión, pero non definido aínda, si ten que saír unha clara aposta pola autoorganización, que pivote no BNG pero que seguramente vaia máis aló. E entendemos que aí podemos facer o noso traballo polo noso contacto co ámbito social, político e sindical e pola nosa relación con outras forzas políticas. É a unión do nacionalismo de esquerdas un obxectivo clave para o soberanismo? En todo caso, entendemos que esa unión non pasa tanto polo orgánico, senón pola unidade de acción, unha unidade de acción que hai que propiciar no plano social, pero tamén máis adiante no institucional e quen sabe se, a medio e longo prazo, tamén no plano orgánico. Pero hai que buscar espazos comúns que posibiliten que unha suma de siglas poida multiplicar á hora de chegar a máis xente porque, en definitiva, o obxectivo é conquerir a maioría social. "O nacionalismo galego non está no seu mellor momento, pero si no de consolidarnos apostando polo soberanismo e a esquerda" O proceso soberanista catalán e a previsible reconfiguración estatal poden deixar Galicia nun segundo plano? Non é nada novo que os ritmos dos procesos soberanitsas son diferentes nos diferentes teritorios. O nivel de conciencia nacional é menor en Galicia e o desenvolvemento politico das organizacións, tamén. O nacionalismo no caso galego ten unhas raíces fondas, pero non estamos no mellor momento, no de asaltar os ceos, pero si no de consolidarnos a partir dunha proposta política clara no soberanismo e na esquerda para avanzar a partir de aí. E logo, entendemos que todo o que se poida dar no Estado vai ter diferentes momentos e fases. Hoxe é difícil predicir cal vai ser o final do proceso soberanista catalán, pero Galiza o que ten que ter é unha ollada propia sobre o seu propio proceso, desde a autoorganización da xente, que foi historicamente clave no nacionalismo, para así avanzar ao ritmo que se poida. Ese é o camiño, pero o camiño hai que percorrelo. A aparición de Podemos é positiva ou negativa para o nacionalismo galego? Podemos non deixa de ser unha incógnita como forza política en construción. Tampoco sabemos que contidos poíticos vai ter finalmente. O que se ve en Galiza é que non quere xogar dentro do espazo dos que consideramos que Galiza é suxieto político, senón que xoga no espazo do españolismo, dos que consideran que España é o suxeito político. Aí vai haber un choque cos que defendemos que o noso país é suxeito político. Podemos fala de respectar o dereito a decidir, pero a ver en que se concreta iso. Teñen a proba de lume co proceso catalán, sobre todo se se aposta pola ruptura como así parece. Nalgún momento terán que posicionarse, pero en Galiza vexo signos preocupantes. "Podemos, polo que se ve en Galiza, xoga no espazo do españolismo e non no dos que consideramos o país como suxeito político" Pode Podemos roubar votos no espazo electoral do nacionalismo de esquerdas? Si, non nos podemos enganar. Hai xente que votaba o BNG fundamentalmente porque era visto como un movemento que estaba na rúa, na mobilización e na esquerda, pero que igual non tiña tan definida unha conciencia de país ou soberanista. Hai e vai haber sectores en disputa entre Podemos e o espazo a onde o nacionalismo chegaba. Se o BNG traballa ben, se implica socialmente e máis nos movementos sociais, combinándoo co traballo institucional, pode tamén disputarlle a Podemos ese espazo electoral. O MGS aposta claramente pola esquerda e a clase traballadora nun momento no que moitos apelan a esquecerse da disputa esquerda-dereita... A loita de clases está máis viva ca nunca, pero nun país sen soberanía política todo pasa tamén pola conquista da soberanía e por ter un estado propio porque reivindicamos que isto é indisoluble a cuestión social da nacional. É o que trasladamos na nosa actuación política, sindical e social. Volvo ao principio: o que se deu con esta crise sistémica do capitalismo é que a loita de clases é máis dura ca nunca. "O pensamento único nos medios en Galicia dálle a Feijóo un cordón sanitario que o converte en intocable" En Galicia agroman moreas de casos de corrupción e numerosos datos revelan unha fonda desigualdade social e precariedade. Non parecen os problemas do país minimizados na axenda política diaria? O que me parece terrible é que vivimos nun pensamento único no panorama mediático que é brutal. Fóra de medios alternativos, os grandes medios de prensa ou audiovisuais lanzan un pensamento único, someténdose aos ditado do PP. En Galicia, o señor Feijóo semella ter un cordón sanitario ao seu redor e parece intocable ante a morea de casos de corrupción, que xa está no adn do PPdeG, que o afectan. E non pasa nada. O lóxico sería que se estivese contando a verdade das cousas, pero é certo que se minimizan. e |
PRAZA_4533 | Gocemos danzando a música dos intérpretes intelectuais, sobre a harmonía dos fonemas que nos emiten. Cuestionemos a xerarquía das tesituras. Pero recoñezamos o virtuosismo de quen contribúe a afinar a realidade, invitándonos a comprender. | O vento ancorounos á proa da patria, para que escoitásemos a sinfónica mariña. Timbais de trebón percutindo a paisaxe, trombóns tenores entre furacáns. Ondas nos lategazos dun contrabaixo salvaxe, bombas desde o canón das tubas. Era o temporal costeiro, unha sonata sen rumbo no allegro da tarde. E nós, vibráfonos xordos contra os disparos do son. Nós loitabamos por comprender a lingua do océano, sobre as pedras dos seus beizos, cuspidos de salitre. E foron estas as primeiras palabras que entendín. Desde as buguinas da música poética. Mais as labazadas climatolóxicas empuxáronme a intuír unha mensaxe máis prosaica e inmediata. E se o mar nos quere dicir que vai subir de nivel? Quizais o noso afán contaminante estea a derreter o Ártico, non? Ten algo que ver o quecemento global en todo iso? Non o sei. Ningún humano responde. Só a marusía; revolta, confusa, nunha alegoría xigante desta era posmoderna na que estamos a afogar. Un mare magnum que engole o rigor científico, a crítica fundamentada e a autoridade intelectual. Unha cicloxénese explosiva que o mestura todo e varre as verdades dos grandes discursos ideolóxicos, históricos, filosóficos, científicos e artísticos. O tropo no que nada importa e todo vale, idóneo para cambiar a ética pola estética e ávido no proceso de copiar e pegar sen necesidade de citar fontes nin procesar información. Non podo contestar á cuestión do cambio climático porque esa non é a miña especialidade. Mais son quen –como toda persoa cun mínimo de criterio e formación- de escoitar as palabras dos expertos e, se atopo certezas nos seus argumentos, incluso de actuar en consecuencia. Antes de que a maruxe –cando menos metafórica- me bata na cara. Por outra banda, para divisar algún claro no medio do temporal, cómpre discernir entre a divulgación e a investigación científica, entre a "opinión" afeccionada e as probas empíricas irrefutables. A pesar de que, evidentemente, é moi positivo que as dúas opcións convivan. Sen experimentación e achegamento dos amadores a calquera disciplina quizais non existirían especialistas nesa materia. Mais o problema aparece cando os primeiros desacreditan ou, o que é peor, anulan aos segundos. Que pasaría se nos operase do corazón un afeccionado á anatomía? Aceptaríamos a vacina de alguén que goce mesturando compostos sen coñecementos de química nin de medicina? Parece que non. Mais que acontece noutros campos, como o das Ciencias da Educación, as artes escénicas, a música, a lingüística, a política ou a literatura? Aquí si. Aquí semella menos grave non establecer diferenzas entre profesionais e afeccionados, o cal corrobora, máis unha vez, o caos ao que nos teñen sometidos. Moi cega ten que estar unha sociedade na que os pais, polo mero feito de procrear, entenden máis de pedagoxía que un docente con ampla formación e experiencia didáctica. Só nunha época de confusión sen medida un político se atreve a pedirlle aos Académicos da máxima institución en materia lingüística que inclúan un novo termo na normativa vixente para promocionar a festa gastronómica da súa vila. Do mesmo xeito que os creadores e actores profesionais se ven condenados a entrar en idéntico canon "popular" e exento de criterio que os amadores desas artes. Que parece clasista esa afirmación? E non será que a marusía lle deu a volta a todo? En efecto, penso que a alternativa máis conservadora, clasista e ilexítima é, precisamente, a desa falsa equiparación. Despexemos o ambiente cun exemplo: collamos dous grupos de música; un formado por afeccionados e outro por profesionais. Deixémolos nos mesmos espazos "alternativos", de experimentación e accesibles. En definitiva, hostaleiros, que toquen nos bares. Ben, ata aí todo perfecto. Calquera pub me parece un escenario digno e axeitado, tanto para actuar como para asistir de público do evento que sexa. Gozo infinitamente nos antros –ou non tan antros- que ofrecen música, recitais ou monólogos en directo. Adoro compartir, en boa compaña, versos, risas e debates cunha copa na man, como a maior parte da especie humana. E defendo con firmeza a necesidade deses lugares híbridos, a popularización da cultura e a posibilidade de que os maiores artistas do mundo os empreguen para expoñer os seus traballos. Non obstante, o grupo de música profesional –que antes escollemos como exemplo- debe contar, obrigatoriamente, coa oportunidade de tocar noutros espazos. Que elixa facelo ou non depende dos seus membros e calquera decisión é respectable. Mais resulta imprescindible que se poñan á súa disposición os mellores medios técnicos, salas con sublime acústica, aforo amplo e facilidades administrativas. En especial, se crean desde o país e para o país. Porque o seu traballo fornece os alicerces da nosa cultura, porque exercen como embaixadores da comunidade, dignifícannos e permiten que presenciemos un concerto á altura da súa valía. De feito, só se asistimos a espectáculos desas características –en combinación con todas as demais alternativas existentes- poderemos educarnos como público crítico e competente, capaz de xulgar baixo criterios unicamente artísticos. Indo máis alá, a min antóllaseme sospeitoso o feito de que algúns actores profesionais teñan que xirar por bares nocturnos mentres algunhas salas de teatro permanecen pechadas. E si, con iso quero insinuar que quizais exista algún tipo de interese en impedir que os profesionais das artes escénicas poidan vivir do seu oficio natural, con total liberdade e independencia ideolóxica. Non quero establecer conxecturas sobre as posibles relacións entre o discurso posmoderno de descontextualizar os espazos escénicos e contexto actual de crise artística e cultural. Pero tampouco comparto a xustificación de que as grandes salas de teatro ou concertos permanecen asociadas á cultura "oficial" e por iso conteñen connotacións negativas. Se cadra, compartir tal prexuízo supón alimentar a confusión e paralizar as mobilizacións que reclaman unha dignidade laboral para o oficio creativo. Quizais sexa ese o mellor modo de desmantelar a industria cultural galega. E de reducir en I+D, e de acabar cun canon literario de calidade, e de desacreditar aos científicos que non se venden á empresa farmacéutica, e de que todos os políticos "sexan iguais" e de que a educación e sanidade públicas carezan de valor algún e de que impere a ignorancia. E de aumentar, en conclusión, esta xordeira colectiva, entre o ruído do temporal. Ruído, xordeira, temporal. Ruído... Todo é ruído para quen non sabe escoitar, para quen non se detén a sentir a filharmónica dos navegantes expertos. Para quen non para... Paramos? Paremos. Gocemos danzando a música dos intérpretes intelectuais, sobre a harmonía dos fonemas que nos emiten. Cuestionemos a xerarquía das tesituras. Pero recoñezamos o virtuosismo de quen contribúe a afinar a realidade, invitándonos a comprender. Porque só dese xeito poderemos entender que as etapas superficiais caducan e, así, antepoñernos aos períodos que virán. Antes de que o mar nos devore. |
PRAZA_16725 | Os países máis ricos, como os europeos, resistímonos a aceptar que o noso futuro demográfico depende en boa medida da importación de poboación. Aos galegos, a maiores, cústanos centrarnos na necesidade de que retornen os nosos compatriotas emigrados. | Aínda que é posíbel que a poboación mundial empece a decrecer contra o final do século, os humanos multiplicámonos por máis de seis nos últimos cen anos. Porén, disque estamos no medio dunha crise demográfica sen precedentes. Unha crise que desde Galiza non é nada fácil de ver, porque os nosos fillos nacen cunha esperanza de vida altísima, son ben tratados e van ser moito máis produtivos ca nós; e porque as mulleres poden por fin desfacerse do seu tradicional papel exclusivamente reprodutivo. Ao comezo do século XX, a nosa esperanza de vida apenas alcanzaba os trinta e poucos anos. Hoxe superamos os oitenta. Pero dá igual que a demografía demostrase repetidamente as súas limitacións á hora de predicir tendencias. E dá igual que as proxeccións demográficas varíen segundo quen sexa o seu autor. Hai algo en que todos coincidimos: Galiza morre. A idea da hecatombe demográfica parece xa imposíbel de desterrar. Polo visto é irracional que deixásemos de ter fillos como antigamente, o cal nos leva dereitiños ao suicidio colectivo. A lexión de expertos que nos alertan da catástrofe demográfica non cultivan unicamente unha imaxe de preocupación patriótica. A maiores, moitos deles adoitan pontificar sobre a bondade moral da procreación. Teñen claro que a nosa existencia é positiva, como se a vida non fose unha experiencia dolorosa, como se non fósemos tan terribelmente destrutivos, tan capaces de nos ferir entre nós, de lles causar sufrimento aos animais, de degradarmos o medio. Pensemos por un momento a que padecementos quedan expostos os fillos que traemos ao mundo, ningún dos cales poderá evitar finalmente a dor da morte. A procreación é realmente virtuosa? Pero volvamos á suposta crise. Se o planeta ten agora máis de 7.500 millóns de habitantes non é por unha suba da natalidade, senón grazas a un espectacular aumento da supervivencia. Neste contexto, os países máis ricos, como os europeos, resistímonos a aceptar que o noso futuro demográfico depende en boa medida da importación de poboación. Aos galegos, a maiores, cústanos centrarnos na necesidade de que retornen os nosos compatriotas emigrados. Este –e non o incremento da natalidade– é o verdadeiro desafío político do cambio demográfico. Sábeo moi ben o populismo xenófobo en auxe, que fomenta na cidadanía a sensación de ameaza identitaria, material e social. Os poderes públicos, incluídos os das nosas democracias, pensan que poden condicionar as decisións persoais en materia de procreación. Seguen sen entender que as políticas demográficas teñen moitas posibilidades de fracasar. Pero a experiencia histórica é concluínte: as políticas públicas natalistas non incidiron no cambio demográfico que tivo lugar durante o século XX. Así que aínda está por ver que existan expertos capaces de propor medidas que cambien a demografía. Pola contra, si sobran políticos que, ao socairo deste obxectivo, argallan novas políticas regresivas en materia reprodutiva, familiar, social, laboral e migratoria. Porén, está claro que nos atopamos no medio dunha revolución demográfica que xa exhibe orgullosa o seu trofeo: a democratización da supervivencia, a modernización da estrutura poboacional. Daquela: a quen lle interesa o alarmismo imperante? Publicidade {C}{C}{C}{C}<a data-cke-saved-href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=afb54f86&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=afb54f86&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' target='_blank'><img data-cke-saved-src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=398&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=afb54f86' src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=398&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=afb54f86' border='0' alt='' /></a> |
NOS_55983 | A banda Dequenvessendo, nacida entre A Coruña e Arteixo, logrou a meta de sacar á rúa o seu primeiro traballo discográfico a través dunha campaña de micromecenado | E ti? Xa sabes Dequenvessendo? Dáse a moitos xogos de palabras pero esta banda nacida entre Arteixo e A Coruña chegou ao mundo da música para facer unha proposta seria. Os seis compoñentes xa levan rodando varios anos xuntos (a formación orixinal xurdiu en 2016) e tocaron en escenarios como o das festas de María Pita. Con esta experiencia ás costas, este mes de setembro sairá ao mercado o seu primeiro traballo discográfico, unha iniciativa para a que contaron cun numeroso grupo de mecenas. "A idea era lanzalo un pouquiño antes pero con todas as circunstancias da pandemia atrasouse o traballo de estudio", explica Bieito Romero. Durante o confinamento e xusto despois, cando se permitiron novamente os movementos, centráronse en "perfilar o son que se quería sacar na posprodución". Non foron dos grupos que prepararon novos singles porque os que tiñan na carteira xa eran novos. Se nun principio se xuntaron como un "cuarteto de música tradicional", co paso do tempo foron evolucionando até que Dequenvessendo quedou en media sucia de artistas sobre o escenario. Igualmente a súa iniciativa cultural seguiu o seu camiño e, hoxe en día, "por pór un estilo, facemos música folk pero tamén continúa a ter peso a música tradicional". "Segue moi presente nas pezas que escollemos", reflexiona Romero, que alude á tradición máis pura, a das cancións que existían e están vivas no imaxinario popular do país. No entanto, en Canto das xacias as e os seguidores e o público que chegue a eles vai atopar "influencia doutros estilos". "Dentro do disco hai un repertorio propio", subliña o músico, pois tamén beben das súas creacións. Iso verase a partir do 18 de setembro coa publicación do traballo e o primeiro single "Muiñeira d'a cabra" xa está dispoñíbel para escoitar, analizar e gozar desde onte. Do que non cabe dúbida é de que van ter unhas e uns seareiros fieis que xa mercaron o disco sobre plano, como antes os pisos. Foi grazas á campaña de crowdfunding que lanzaron para lograr este obxectivo. Máis aló das cancións, van contar cun merchandising único. Quen sabe o valor que acadará... |
PRAZA_10399 | "Con absoluta claridade, non hai unha boa relación coa Executiva Nacional", admite Santos, coa elección da nova representación do PSdeG na Deputación como pano de fondo. "Non nos imos despistar do ben que imos con debates estériles", di Gonzalo Caballero, que se remite aos órganos internos do partido para dirimir a candidatura á presidencia da Deputación lucense | A ausencia dunha "boa relación coa Executiva Nacional do PSdeG" derivou este luns na dimisión do ata agora secretario xeral da formación na provincia de Lugo, Álvaro Santos. Tras meses de tensións entre a dirección provincial e a galega, que encabeza Gonzalo Caballero, Santos ratificou a súa marcha da secretaría xeral ás portas da resolución dun proceso que contribuíu a acrecentar a tensión, a elección das persoas que ocuparán os 10 postos obtidos polos socialistas na Deputación de Lugo e, por extensión, o nome de quen opte á presidencia da institución, ata agora exercida por Darío Campos."Sen desculpa ningunha", afirma Santos, a motivación da súa marcha non son "persoais", senón "cuestións de criterio político, que se basean na concepción da política como un instrumento para transformar a sociedade". Despois duns comicios locais nos que, subliña, "conseguimos mellorar" a posición do PSdeG na provincia cando xa semellara que tocara "teito", do seu punto de vista a Executiva Nacional apostou pola "confrontación". "Con absoluta claridade, non hai unha boa relación coa Executiva Nacional", admite Santos, coa elección da nova representación do PSdeG na Deputación como pano de fondo"Con absoluta claridade, non hai unha boa relación coa Executiva Nacional", admite Santos. Isto sucede, asegura, porque a dirección nacional que encabeza Caballero "está traballando única e exclusivamente no plano órgano" mentres "o secretario provincial de Lugo estaba traballando no desenvolvemento dun proxecto para a sociedade e non para persoas concretas". Santos, tamén concelleiro do goberno en Lugo, asegura que nese "traballo" é no que o poderán "atopar", pero xa non á fronte da responsabilidade orgánica dende a que, asegura, advertiu a Caballero de que "tiñamos que traballar xuntos, darnos a man"."Son socialista e ser socialista é estar pensando no de fóra, nas infraestruturas, na sanidade, na educación da provincia de Lugo", afirmou Álvaro Santos, visiblemente contrariado na súa comparecencia. A preguntas dos xornalistas o dirixente recoñeceu tamén que a cuestión dos nomeamentos na Deputación contribuíu tamén a empeorar as relacións, toda vez que a dirección nacional apelou á apertura dun "novo tempo" na institución. "Preguntei que rumbo había que cambiar e non me contestou ninguén", lamenta."Non nos imos despistar do ben que imos con debates estériles", di Gonzalo Caballero, que se remite aos órganos internos do partido para dirimir a candidatura á presidencia da Deputación lucenseA respecto da dimisión de Santos, que no mandato que remata exerceu tamén de voceiro do goberno da Deputación, foi cuestionado este luns o propio Gonzalo Caballero. O secretario xeral do PSdeG afirma que "non nos imos despistar do ben que imos" cara a apertura dun "novo ciclo" político en Galicia deténdose en "debates estériles" no plano orgánico. A respecto da situación aberta en Lugo, provincia que quedará nas mans dunha xestora ata a elección dunha nova Executiva provincial, Caballero remítese ás canles "establecidas" organicamente para a elección dos postos na Deputación e, en última instancia, á comisión federal de listas do PSOE para ratificar a candidatura á presidencia da Deputación. Para este posto estivo sobre a mesa durante as últimas semanas o nome do actual presidente, Darío Campos, máis próximo á que ata agora era a dirección provincial de Álvaro Santos, e tamén o de José Tomé, alcalde de Monforte e máis afín á dirección nacional.O período transitorio será "pilotado" polo secretario de organización do PSdeGAta a elección dunha nova Executiva provincial a actividade do partido na provincia estará "pilotada" polo secretario de organización do PSdeG, José Antonio Quiroga, quen expresa o seu "respecto" pola "decisión persoal" de Santos, que "agradece" o traballo de quen continuará sendo edil en Lugo. A elección da representación na Deputación, avanza Quiroga, desenvolverase con "normalidade" e, a este respecto, xa está a pulsar a opinión dos edís electos na provincia, que apostan por "unha etapa de fortalecemento e futuro no partido e na Deputación de Lugo", di. |
PRAZA_16245 | A lentitude das causas e a presunción de inocencia permiten ás firmas aumentar o negocio, en ocasións por vontade dos gobernos e noutras sen que estes poidan impedilo, ata o punto de que en Compostela a xustiza obrigou a adxudicar o servizo da grúa á empresa central do caso Pokémon | A lentitude das causas e a presunción de inocencia permiten ás firmas aumentar o negocio, en ocasións por vontade dos gobernos e noutras sen que estes poidan impedilo A lentitude coa que avanzan algunhas das causas por corrupción abertas nos últimos anos en Galicia está a propiciar que, ao tempo que se manteñen as sospeitas de sobre numerosas empresas implicadas nelas, esas mesmas firmas estean a ver aumentadas as súas cifras de negocio precisamente nas administracións cuxos contratos están a ser investigados. A presunción de inocencia non só permite que esas empresas poidan presentarse a concursos que supostamente intentaron orientar cara aos seus interesesm senón que, mentres non se convocan eses concursos, en ocasións demorados precisamente polas investigacións penais abertas, esas mesmas firmas seguen a verse beneficiadas de prórrogas outorgadas de xeito unilateral por administracións de toda cor política. Nun repaso ás principais investigacións por corrupción abertas en Galicia nos últimos anos atópanse casos de todo tipo, pero en todos eles a reacción das administracións, á marxe do seu ámbito territorial e partido gobernante, cando se lles pregunta por que contratan con esas empresas é a mesma: "É legal". Pero hai incluso un caso no que non só a contratación da empresa investigada é legal senón que, malia o intento político por non facelo, é a propia xustiza a que obriga. A Xustiza obriga a adxudicar a unha empresa clave na Pokémon A xustiza obrigou ao Concello de Compostela a adxudicar o servizo da grúa á empresa central á que investiga no caso Pokémon O caso Pokémon, iniciado en 2012 pola xuíza de Lugo Pilar de Lara e ramificado en múltiples causas aínda en investigación, espertou dúbidas sobre o xeito en que determinadas empresas agasallaban políticos a cambio de presuntas decisións administrativas beneficiosas para os seus intereses. A empresa que os investigadores consideran como o centro dese caso é o grupo Vendex, un conglomerado de servizos do que forma parte Doal. Malia as sospeitas que recaen sobre ela e a imputación dos seus directivos, a xustiza obrigou ao Concello de Santiago, no que tamén se investigan as operacións desa firma, a adxudicarlle a Doal o servizo do guindastre municipal. Foi en 2012 cando o Concello, daquela gobernado polo PP, resolveu un concurso que lanzara o goberno local anterior encabezado polo PSdeG e adxudicou o servizo do guindastre a outra empresa, Setex Aparki. Porén, Doal recorreu ante a xustiza aquela adxudicación argumentando que aqueloutra empresa incumprira unha das condicións do concurso público e que o recinto que ofrecera para almacenar os coches retirados non chegaba por uns poucos metros ao mínimo esixido no prego de condicións da licitación. Para cando a xustiza lle deu a razón, Doal xa estaba implicada no caso Pokémon e a cidade gobernábaa Compostela Aberta. Unha formación que gañara as eleccións cun discurso que puña o foco nas relacións entre o PP e esas empresas investigadas e que no seu programa prometía remunicipalizar ese servizo da grúa que agora a xustiza lle obriga a entregar a unha empresa investigada por corrupción. O Goberno local actual asegura que segue adiante co seu plan de remunicipalización, pero lamenta que as decisións xudiciais sobre o caso están a demorala. Entre elas, a de trasladar ao xulgado de Lugo o expediente administrativo desa adxudicación incautado nos rexistros do caso Pokémon realizados no seu momento no Concello de Santiago, o que deixou á administración sen documentos que precisaba. Entrega de cartos do grupo Vendex, matriz de Doal, fotografada polos investigadores Santiago prorroga a Monbus A demora na convocatoria dun novo concurso por parte do goberno local de Santiago mantén prorrogada a concesión do transporte urbano a Monbus, de Raúl López, investigado en varias causas Nos concursos públicos as administracións non teñen capacidade para vetar a empresas mentres non recaia sobre elas unha condena firme. Neses concursos as valoracións das diferentes ofertas que se presentan corren por conta de funcionarios, non de políticos. Pero cando o prazo deses contratos vai rematando si hai responsabilidade política na incapacidade das administracións, criticada en numerosas ocasións polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas, para convocar novos concursos que renoven o servizo e evitar así que mentres sigan a prestalo con prórrogas as anteriores adxudicatarias. Sen saír de Santiago pódese analizar o caso doutro grupo empresarial investigado pola xustiza que segue a ver ampliado o seu negocio a través de prórrogas. En Compostela a totalidade das accións da concesionaria do servizo de transporte urbano en autobús foron adquiridas en secreto en 2010 polo empresario lucense Raúl López, propietario do grupo Monbus, ao ex-presidente da patronal española, Gerardo Díaz Ferrán, xusto antes da quebra do seu grupo. Empresas de López xestionan tamén outras instalacións municipais e ségueno a facer malia que nos últimos anos viuse envolto en casos como o antedito Pokémon ou o Cóndor, que o atinxe directamente, e que afectaron de cheo a anteriores xestores municipais. A concesión do bus urbano remataba a finais de 2016, pero máis dun ano despois a concesionaria de Raúl López segue a prestar o servizo porque o goberno local non foi quen de resolver aínda un novo concurso público. A prórroga é legal, pero xa non é unha obriga imposta por unha decisión xudicial senón derivada de que o goberno local aínda non convocou un novo concurso e o servizo non pode deixar de prestarse. Fontes dese goberno local argumentan que a reestruturación global das liñas que queren realizar está por tras das súas dificultades para ultimar ese novo concurso, o que obriga a manter a prórroga. Pero cando á fin se resolva ese novo concurso, nada impide que algunha empresa de Raúl López, investigado pero non condenado, o volva gañar por resultar a mellor puntuada, do mesmo xeito que o grupo Monbus vén de copar o máximo de contratos posible no recente concurso da Xunta para xestionar varias liñas interurbanas. Pontevedra prorroga a Aquagest O goberno local de Pontevedra rexeita explicar a prórroga da concesión do abastecemento de auga a unha empresa investigada na Pokémon por tentar orientar o novo concurso cara os seus intereses e limítase a dicir que se "axusta á legalidade" En Pontevedra a situación é similar con Aquagest, a concesionaria da auga en numerosos concellos. Nesa cidade levou o contrato en 1997, no último goberno popular, por un período de 20 anos que rematou en febreiro do ano pasado. Os investigadores do caso Pokémon cren que directivos da empresa tentaban obter tratos de favor por parte do actual goberno local do BNG e orientar no seu beneficio o novo concurso que se tiña que convocar para renovar o servizo. Malia que a concesión remataba o pasado febreiro, o goberno local de Pontevedra, que ao contrario que outros de esquerda non valora remunicipalizar o servizo, tampouco foi quen de convocar un novo concurso ata agora, de xeito que Aquagest, agora renomeada como Viaqua, segue a prestar o servizo a través dunha prórroga. O PSOE local alerta de que durante esta prórroga a empresa seguiría a cobrar unha compensación polas obras que realizou durante os 20 anos do contrato orixinal que xa non lle correspondería por estar xa pagada por completo durante ese período, algo que o Goberno local limítase a negar: "O Concello de Pontevedra axústase á legalidade en todos os seus contratos e prórrogas. É o único que ten que dicir". Esa prórroga, en Pontevedra como noutras administracións, á marxe da cor política, é vista pola oposición como unha mostra da incapacidade do goberno de resolver a tempo un novo concurso público. No caso de Pontevedra a ese novo concurso, pendente de adxudicación e un dos maiores do ano en Galicia, con 120 millóns en xogo, presentáronse dez ofertas, varias delas de empresas implicadas en casos de corrupción en toda España. Entre elas opta a volverse a levar o contrato a propia Viaqua que supostamente tentara orientalo cara aos seus intereses, o que fai que fontes socialistas, que admiten que a firma está ben colocada porque é a candidata que mellor coñece como funciona o servizo, alerten da inseguridade xurídica que podería supor se no futuro o caso Pokémon establece algún tipo de responsabilidade da empresa. Pero iso é unha hipótese de futuro, porque nada impide a unha empresa, se non está condenada, presentarse a un concurso e gañalo se resulta a mellor valorada pola mesa de contratación -na que legalmente deben mandar os técnicos, non os políticos-, ou se cumpre os requisitos legais no caso doutros procedementos. Un veto político suporía unha prevaricación. A Xunta adxudicou á familia Charlín A Xunta outorgou unha concesión á familia Charlín no porto de Vilanova de Arousa tras sete anos de tramitación porque denegarlla suporía unha prevaricación Esa argumentación, a de que non adxudicar un contrato a quen ten dereito a el, por moi sospeitoso que sexa, suporía un delito de prevaricación, é a que ofreceu a Xunta para explicar unha concesión outorgada en 2016 a María Teresa Charlín Pomares, filla do narcotraficante Manuel Charlín. A súa imputación, xunto ao resto do clan familiar, por branquear cartos, non impediu que Portos de Galicia lle outorgase a concesión que solicitou para legalizar unhas tubaxes en terreo portuario autonómico en Vilanova de Arousa que viñan servindo a un cocedeiro de marisco da familia. Concesión de Portos de Galicia á filla tamén imputada por branqueamento do narcotraficante Manuel Charlín Segundo Portos de Galicia, a solicitude de concesión foi presentada en 2009 e o propio ente público admitiu que a súa tramitación avanzou de xeito especialmente lento, salientando que nela se lle requiriu documentación complementaria. Pero a solicitante non desistiu e a Xunta tivo que acabar adxudicándolle o solicitado sete anos despois porque tiña dereito e o contrario suporía unha prevaricación. Arquivo da adxudicación ilegal da Xunta a Inaer A Xunta seguiu adxudicando a dedo e ampliando contratos coa empresa de helicópteros Inaer mentres estivo aberta unha investigación xudicial que concluíu que a xestión dos aparatos de incendios foi ilegal Por outra banda, tampouco é tan doado demostrar a existencia dun delito de prevaricación nunha contratación. Así o vén de evidenciar o recente arquivo por parte do xuíz instrutor da investigación aberta contra varios altos cargos da Consellería do Medio Rural por adxudicar de xeito ilegal o servizo de helicópteros de loita contra o lume á empresa Inaer. O propio xuíz admitiu que a empresa operou para a Xunta sen contrato, pero matizou que "para conformar o delito de prevaricación non é suficiente con constatar unha mera ilegalidade senón que é preciso demostrar ademais, polo menos indiciariamente, que tal infracción normativa foi consciente, deliberada e buscada". Inaer operou para a Xunta de xeito ilegal, pero non se puido demostrar a prevaricación. A investigación, que tivo imputado ao máximo responsable autonómico da política forestal, foi aberta en 2013 e non impediu que diversos departamentos da Xunta, incluída a propia Consellería de Medio Rural, seguisen a adxudicar a Inaer a gran maioría dos seus contratos de helicópteros, como tamén fixo no seu momento a Xunta bipartita. E non só a través de concursos públicos nos que a súa resultou a oferta mellor valorada, senón tamén a través de procedementos a dedo. E iso malia que, á marxe do eido penal, no eido administrativo o Consello de Contas advertira de que a Xunta podía estar a malgastar cartos coas súas adxudicacións a Inaer, que cada ano recibe preto de 20 millóns de euros dos diversos contratos que lle vén adxudicando o Goberno galego. Malia o arquivo do caso galego, Inaer segue implicada noutras comunidades no denominado cartel do lume por suposto reparto de contratos con outras empresas. Auto de arquivo da investigación por prevaricación da adxudicación sen contrato a Inaer por parte da Xunta Fomento segue a adxudicar a empresas que se repartiron contratos En 2013 desvelouse unha trama de empresas que lograba obras de Fomento en Ourense con concurso simulados, pero o ministerio seguiu a contratar a algunhas desas mesmas firmas Non só a nivel local e autonómico as administracións seguen a contratar con empresas implicadas en investigacións por corrupción. En 2013 a Fiscalía abriu unha investigación por adxudicacións a dedo da demarcación de estradas do Ministerio de Fomento en Ourense. Nos procedementos de contratación negociados, a Administración invita de xeito discrecional a varias empresas a que lle formulen ofertas para realizar unha determinada obra ou servizo, pero esas firmas non poden pertencer aos mesmos grupos empresariais. Iso non ocorreu en Ourense, onde empresas relacionadas entre si coparon numerosos deses procedementos negociados, facendo así que non houbese unha competencia real entre as candidatas. Fomento abriu unha investigación interna, á marxe da penal que segue o seu curso, que non impediu que o propio ministerio siga a invitar a procedementos similares de adxudicación a dedo para obras en Ourense a algunhas daquelas empresas que consideraba que a enganaran, como Extraco. Imaxe de marca As empresas implicadas en investigacións xudiciais son conscientes do dano á súa imaxe Malia que sigan a aumentar as súas cifras de negocio a través de prórrogas de contratos ou gañando os novos concursos aos que se presentan, as empresas implicadas en investigacións por corrupción son conscientes do dano que esas causas lles fan. As súas estratexias para palialo son múltiples. Aquagest, por exemplo, propiedade de Aguas de Barcelona (Agbar), á súa vez controlada pola francesa Suez, cambiou de nome. Hoxe chámase Viaqua e tenta distanciar a súa imaxe de marca dos feitos investigados na Pokémon. Algo similar sucede con Inaer, empresa de orixe español xurdida da fusión doutras dúas preexistentes que foi adquirida pola británica Babcock e que desde hai un ano cambiou a súa denominación a Babcock Mission Critical Services España. Varias fontes internas sinalan que a política empresarial da nova propietaria da vella Inaer é moi distinta á de cando estaba en mans españolas e está a afastarse de anteriores comportamentos. Iso si, varias fontes do sector salientan que segue a beneficiarse da posición dominante no mercado que conseguira Inaer no pasado. |
PRAZA_10130 | O Goberno galego "pecha o mercado" das apostas para evitar que se especule con novas instalacións despois de que o Tribunal Supremo inhabilitase por prevaricación hai tres décadas a Barreiro Rivas por unha concesión de xogo feita "antes incluso de ter cobertura legal para levala a cabo" e a "unha sociedade aínda inexistente" | O Goberno galego "pecha o mercado" das apostas para evitar que se especule con novas instalacións despois de que o Tribunal Supremo inhabilitase por prevaricación hai tres décadas a Barreiro Rivas por unha concesión de xogo feita "antes incluso de ter cobertura legal para levala a cabo" e a "unha sociedade aínda inexistente"Este mércores o vicepresidente da Xunta e conselleiro con competencias en materia de xogo, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego vai "pechar o mercado" dos salóns de xogo e tendas de apostas aos 118 e 41 que xa existen ou están en tramitación en Galicia. Faino, di, "ante a próxima publicación da nova lei galega na materia e evitar así que se poida aproveitar o período previo á súa entrada en vigor para especular e poñer en marcha novas instalacións". A precaución adóptase despois de que a lei do xogo galega actualmente en vigor e que agora vai ser renovada, aprobada en 1985, acabase supoñendo hai tres décadas a condena do daquela vicepresidente popular da Xunta, José Luis Barreiro Rivas, por prevaricar na concesión dunha autorización de xogo "antes incluso de ter cobertura legal para levala a cabo" e a "unha sociedade aínda inexistente".Os feitos polos que foi condenado Barreiro Rivas, número 2 da Xunta que presidía o popular Gerardo Fernández Albor, ocorreron a finais de 1985 e comezos de 1986, pero non comezaron a ser investigados pola xustiza ata que un ano máis tarde foron denunciados polos propios populares. Fixérono pouco antes de que Barreiro Rivas apoiase unha moción de censura que acabaría quitando a presidencia da Xunta a Albor e dándolla ao socialista Fernando González Laxe, que gobernaría cun tripartito no que Barreiro seguiría a ocupar a vicepresidencia. Unha censura en cuxo debate o goberno de Albor foi defendido polo seu novo vicepresidente en substitución de Barreiro, Mariano Rajoy, quen no seu discurso de despedida deixou unha frase para a historia: "Ao señor Albor e a quen estivemos con el durante estes duros dez meses co veleno dentro -en referencia ao grupo do tránsfuga Barreiro Rivas- xulgaranos a historia, non nos xulgarán vostedes".Quen xulgou a Barreiro Rivas uns anos despois foi a Xustiza. Tras a denuncia dos feitos por parte da propia Xunta de Albor, en 1989 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) absolveu a Barreiro Rivas, pero a Fiscalía recorreu e un ano máis tarde o Supremo condenábao. O propio alto tribunal sinalou as implicacións políticas daquel caso, ao indicar na súa sentenza que "despois dunha deliberación de altos cargos da Xunta", "é a Xunta quen denuncia os feitos presuntamente delitivos, producíndose ao seguinte día a correspondente moción de censura co efecto de cambio de Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia" e a chegada á presidencia de Laxe co apoio de Barreiro.Feitos probadosO Supremo acabou condenando en 1990 a Barreiro Rivas por autorizar un xogo de boletos a un empresario que formulara a súa petición antes de que a lei entrase en vigor e tras avanzarllo en persoa no seu despachoPero máis alá das interpretacións políticas, os feitos que a xustiza deu por probados son os que relata esa sentenza que o Supremo emitiu cinco anos máis tarde, o 17 de setembro de 1990, cando Manuel Fraga xa mandaba en San Caetano, condenando a Barreiro Rivas a seis anos e un día de inhabilitación "como autor criminalmente responsable dun delito de prevaricación". Nela cóntase como, tras transferir o Goberno central a Galicia as competencias en materia de xogo en marzo de 1985, o 24 de setembro dese mesmo ano o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 14/1985 reguladora dos Xogos e Apostas en Galicia. A lei publicaríase no Diario Oficial de Galicia o 20 de novembro, pero "a finais do mes de setembro, en día non exactamente precisado, pero comprendido entre o día de aprobación do texto definitivo da lei e o da súa publicación, o procesado don José Luis Barreiro Rivas, que desempeñaba os cargos de Vicepresidente e Conselleiro da Presidencia [competente en materia de xogo] recibe no seu despacho oficial a Juan Carlos Olano", representante da denominada Sociedad General de Juegos de Galicia, nunha "entrevista concertada días antes, por mediación de don Javier Rosón, irmán de quen daquela era Presidente do Parlamento Galego", Antonio Rosón, e que compartía despacho profesional con Olano.Nesa reunión de finais de setembro de 1985 o empresario expúxolle a Barreiro "o seu desexo de solicitar a autorización para a posta en práctica do xogo de boletos", como así fixo "o 28 de outubro" pero "con data 9 do mesmo mes", antes de que a lei que regulaba ese xogo se publicase no DOG un mes máis tarde, o 20 de novembro. A Xunta outorgou a súa autorización a Sociedad General de Juegos de Galicia o 18 de marzo de 1986.O tribunal reprocha a Barreiro que "a concesión faise, ás costas de calquera publicidade, antes incluso de ter cobertura legal para levala a cabo, a quen previamente o visitara para interesarse por ela e en representación dunha sociedade non nacida".A sentenza do Supremo salienta que a autorización "concedeuse sen ningún tipo de publicidade, requisito indispensable neste tipo de actos administrativos, a quen presentara unha solicitude o 28 de outubro de 1985, inexplicablemente antes da promulgación e entrada en vigor da Lei que ía regular dito xogo en Galicia e en representación dunha sociedade aínda inexistente [...] datos estes (carencia de soporte legal e inexistencia de sociedade) que eran coñecidos perfectamente por quen desempeñaba, como o procesado, un cargo tan relevante".Pero a cousa non quedou aí, porque ante as dúbidas da legalidade desa primeira autorización, e tras aprobar en xuño de 1986 un regulamento que desenvolveu a lei do xogo, a Xunta outorgou o 28 de agosto dese ano á mesma empresa unha segunda autorización, en resposta á mesma solicitude inicial que presentara antes mesmo de aprobarse a lei. Nese segundo proceso o tribunal ve unha opacidade similar xa que "os documentos que conducen á nova decisión nin sequera se rexistran". "Vistas as moi graves irregularidades nas que o procesado incorrera ao ditar a resolución á que acaba de facerse referencia, procedeuse, despois [...] a deixar sen efecto a concesión, pero non para rectificar e desfacer o camiño andado, senón como un simple expediente, como se comproba polos acontecementos posteriores, para volver á mesma solución, cunha apariencia de maior corrección formal que tampouco se conseguiu, pero co mesmo contido substancialmente inxusto", di o tribunal.Segundo o Supremo, todo ese proceso realizouse sen "ningunha garantía para os cidadáns, en xeral, que non tiveron oportunidade de acceder a unha convocatoria para participar no que debeu ser un concurso selectivo de solicitudes". O tribunal reprocha a Barreiro que "a concesión faise, ás costas de calquera publicidade, antes incluso de ter cobertura legal para levala a cabo, a quen previamente o visitara para interesarse por ela e en representación dunha sociedade non nacida".O Supremo expresa o seu "convencemento da malicia do procesado ao ditar as respectivas resolucións"A sentenza do Supremo salienta que "todo canto queda posto de relevo non se recolle para destacar determinadas irregularidades administrativas, sen dúbida graves, que poderían ter o seu correctivo na vía correspondente, senón para sinalar as circunstancias concorrentes que por un proceso de inferencias, dentro da lóxica e das regras de experiencia, conducen ao convencemento da malicia do procesado ao ditar as respectivas resolucións".A sentenza remata cunha reflexión do tribunal sobre todo o proceso na que di que "non cabe dúbida de que todo se move nun contexto de situacións de tensión, de natureza política, como se acredita polo cambio de posicións de determinadas institucións respecto á adxudicación/concesión ou autorización á que vén facéndose referencia. Por iso o verdadeiramente importante é illar na medida do posible, que o é, estes coñecementos do feito mesmo que aquí se enxuíza desde a exclusiva vertente xurídico-penal, única que corresponde examinar a esta sala".O resultado final, ademais da condena e inhabilitación de Barreiro Rivas, que 27 anos despois acabaría recibindo eloxios de Rajoy e Feijóo, foi que nunca se puxo en funcionamento un xogo de boletos en Galicia, malia que a lei do xogo de 1985, modificada nove veces desde aquela, segue contemplando esa posibilidade a través dunha autorización emitida pola Xunta. Agora, esa lei quedará superada pola nova que impulsa a Xunta, antes de cuxa aprobación intentará que non se produzan movementos especulativos no sector. |
PRAZA_20749 | COGAMI e Unión de Consumidores de Galicia demandan que as estacións de servizo contraten persoal e garantan os dereitos dos usuarios con discapacidade. Nove comunidades autónomas prohiben as gasolineiras sen empregados, defendidas polo Goberno galego como una forma de abaratar prezos | A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) vén de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas en contra das gasolineiras que carecen de persoal laboral. A entidade demanda que estas estacións de servizo contraten traballadores de atención ao público "para que as persoas con discapacidade poidan exercer os seus dereitos como consumidores e facer a súa vida coa maior autonomía posible". UCGAL salienta que "as estacións de servizo desatendidas non lles ofrecen garantías aos consumidores" De igual xeito, a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) salienta que "as estacións de servizo desatendidas non lles ofrecen garantías aos consumidores". A entidade subliña igualmente razóns de seguridade e de defensa dos postos de traballo como argumentos para incentivar as gasolineiras con persoal. Para UCGAL "non cabe discusión á hora de falar da necesidade de que as estacións de servizo conten con persoal. Trátase de instalacións onde se manipulan produtos perigosos e que se rexen por unhas normas específicas no relativo á seguridade e á protección medioambiental que só poden ser certificadas e levadas a cabo por persoal debidamente formado". "Un consumidor medio non pode actuar ante un vertido ou fuga dunha mercancía perigosa, inflamable e contaminante porque non coñece o procedemento específico para esas situacións. Se ninguén supervisa o espazo non se pode garantir que se fai un bo uso da instalación ou que se cumpren as normas de seguridade", salienta. Estremadura, Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Castela A Mancha, Madrid, Comunidade Valenciana, Navarra e Murcia xa contan con normativas que obrigan á contratación de persoal para estas funcións UCGAL e COGAMI súmase á iniciativa presentada pola Plataforma Gasolineiras Atendidas e Seguras, Unha sinatura polo emprego, a inclusión e a seguridade nas estacións de servizo, para acadar un cambio lexislativo que prohiba a existencia destas estacións de servizo low cost. Na actualidade as comunidades de Estremadura, Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Castela A Mancha, Madrid, Comunidade Valenciana, Navarra e Murcia xa contan con normativas que obrigan á contratación de persoal para estas funcións Non sucede así en Galicia. Esta mesma semana a Xunta descartou sancionar as gasolineiras sen persoal, argumentando que na actualidade "a normativa estatal non o esixe". O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde limitouse a sinalar que as estacións de servizo galegas se terán que "adaptar á nova normativa que vén de aprobar o Goberno central". Nos últimos anos o Goberno galego defendeu publicamente en varias ocasións o modelo de gasolineiras sen persoal, sinalando que a súa existencia favorece a competencia e que iso axudará a rebaixar os prezos Nos últimos anos o Goberno galego defendeu publicamente en varias ocasións o modelo de gasolineiras sen persoal, sinalando que a súa existencia favorece a competencia e que iso axudará a rebaixar os prezos. As gasolineiras low cost "non supoñen maiores riscos para a seguridade do usuario e si teñen reportado beneficios para os consumidores en termos de maior variedade, innovación e, especialmente, menores prezos", sinalaba a Xunta o pasado ano, defendendo que funcionaban con éxito en toda Europa. E en 2014 o Goberno galego presentou unha batería de medidas para fomentar a competencia e reducir os prezos dos combustibles. Entre estas medidas había máis facilidades para a apertura de estacións de servizo independentes, para a instalación de gasolineiras en centros comerciais ou unha simplificación dos trámites administrativos e das súas obrigas. |
PRAZA_17851 | Os comités de empresa da CRTVG e da RTVE-Galicia chaman a manifestarse o día 8 do vindeiro mes "pola dignidade" da radio e televisión públicas nunha marcha na que "por primeira vez" persoal dos dous entes de comunicación "une as súas forzas nunha acción de protesta deste calibre". CRÓNICA | Tati Moyano e a maquillaxe a Feijóo. Por Anxo Lugilde | CRÓNICA | Tati Moyano e a maquillaxe a Feijóo. Por Anxo Lugilde E xa van 13. Neste do 17 de agosto, o persoal da CRTVG volve reivindicar "medios públicos ao servizo da sociedade" e o "cumprimento íntegro da Lei de Medios" para que "prenda a luz" na radio e televisión públicas. É outro venres negro no que traballadores e traballadoras volveron vestir de loito e no que quentan xa motores para a gran manifestación á que os comités de empresa desa casa e de RTVE convocaron a todos os profesionais e á sociedade galega para o vindeiro 8 de setembro en Compostela. Persoal da CRTVG protesta no 13º venres negro e prepara xa a gran manifestación do 8 de setembro en Compostela A deste venres é a décimo terceira protesta en negro dunha serie que comezou a finais de maio seguindo o ronsel das mobilizacións, precisamente, do persoal de RTVE que esixía o desbloqueo do proceso parlamentario para renovar a cúpula da corporación estatal por concurso público. A protesta na CRTVG colleu pulo, gañou adeptos e difusión e tivo o seu punto de inflexión a mediados de xuño, cando os presentadores do Telexornal Serán, Tati Moyano e Alfonso Hermida, anunciaron a súa renuncia a continuar conducindo o espazo en protesta polo control informativo. Pouco despois, o apercibimento e posterior ameaza de despedimento a Moyano, que evidenciou a protesta contra o uso partidista dos informativos públicos no transcurso dunha gala benéfica que presentaba, con Alberto Núñez Feijóo entre o público, acabou por amplificar unha reivindicación que non se detén. Nin o período vacacional fixo decaer unha reivindicación desdeñada pola cúpula da CRTVG, cuxo director xeral negou que participar nela fose un exercicio de "valentía". Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu en desligarse dela e dos seus motivos --"eu non dirixo a TVG", resolveu--. Pero en San Marcos e San Caetano non se disimula a incomodidade polo movemento Defende a Galega, que vai superando todos os atrancos políticos, sociais e mediáticos, non sen dificultades pero con determinación. Os comités da CRTVG e da RTVE-Galicia convocan o persoal e a sociedade á manifestación "pola dignidade dos medios públicos" Volveron as vestimentas negras e a difusión de imaxes de traballadores e traballadoras de loito e con carteis reivindicativos, tamén das caras máis coñecidas da TVG e da Radio Galega. Ademais, desta vez, o comité intercentros da CRTVG e o comité de empresa da Corporación de Radio e Televisión Española en Galicia (CRTVE-Galicia) aproveitaron a data para participar na manifestación que convocan para o vindeiro sábado 8 de setembro en Compostela "pola dignidade dos medios públicos de comunicación". Persoal da CRTVG, de loito no 13º venres negro / Defende A Galega Será un día histórico polo que supón unha manifestación de persoal dos medios públicos e da cidadanía á vez e por ser "a primeira vez que os comités de empresa dos dous entes públicos de comunicación unen as súas forzas nunha acción de protesta deste calibre". Unha convocatoria que naceu, como explican os convocantes, "despois de que o persoal puxera en marcha --primeiro en CRTVE e despois na CRTVG-- os denominados venres negros en sinal de protesta pola situación que atravesan". A manifestación consiste nunha marcha que sairá ás 10.30 horas das instalacións da CRTVG en San Marcos, pasará inmediatamente despois pola sede que CRTVE ten tamén en San Marcos, e rematará na compostelá Praza das Praterías por volta das 12.30. O percorrido ata chegar á cidade coincide co último treito do Camiño de Santiago. "É a primeira vez que os comités de empresa dos dous entes públicos de comunicación unen as súas forzas nunha acción de protesta deste calibre" Xa na praza das Praterías, procederase á lectura dun manifesto común das dúas empresas públicas que recolle os motivos da manifestación e as demandas que pretenden facer públicas as e os representantes do persoal da CRTVG e de CRTVE. A música de Uxía, Guadi Galego e Xabier Díaz acompañará o acto reivindicativo, que suporá un antes e un despois para os medios de comunicación públicos de Galicia e en Galicia. Un antes e un despois. |
NOS_32113 | Ducias de persoas cuestionaron o traballo de Turismo da Galiza, unha entidade pública dependente da Xunta, despois dunha publicación en redes sociais na que amosan o seu descoñecemento do acivro, confundíndoo co capudre. | Turismo da Galiza recibiu onte as críticas de ducias de persoas nas redes sociais despois de facer unha publicación na que confundían o acivro, a árbore que querían destacar polo alto do Acevo na Fonsagrada, co capudre, que ilustraba a imaxe da publicación. Estas árbores comparten uns froitos pequenos e vermellos, mais cunhas follas marcadamente distintas, oblongas e con pequenos bordes serrados as do capudre, e con bordes ondulados e fendidos as do acivro. En poucos minutos a publicación, que xa foi borrada, comezou a encherse de comentarios de persoas sen coñecementos específicos de botánica que apuntaban que "mira se son características as follas do acivro que até eu as coñezo, que clase de inútiles do partido teñen contratados para levar o turismo". Outro usuario sinalaba que a confusión é resultado de confundir monte con eucalipto, mentres que doutra banda unha persoa cuestionaba a clase de turismo que se promove, sinalando que isto acontece por promover un turismo na natureza de "tirarse en balsa, bici ou correr 200 tip@s por zonas protexidas, non un turismo de natureza, de coñecela. A proba máis clara. Non coñecedes o que vendedes". Ao tempo que algunhas publicacións solicitaban máis protección ao patrimonio arbóreo, unha usuaria aclaraba a especie correcta á que se refería a imaxe utilizada pola entidade pública, dependente da Xunta da Galiza. "Non pode amarse o que non se coñece nin chegar a protexerse o que non se ama. Así lle vai a esta maltratada terra coa impostura e a cobiza", laiábase unha persoa que lembraba que hoxe amais é o día mundial do medio ambiente. Un veciño da zona aproveitou para explicar que "non hai moitos acivros no Acevo", non obstante, capudres "si hai moitos á beira da estrada de Grandas". A maioría dos comentarios en tanto, apostaron pola retranca, "o mellor é o hashtag do final, #sentidiño". |
NOS_54826 | En tres anos son 3.600 as persoas que se sumaron a unha listaxe para seren operadas. O repagamento farmacéutico, o veto a unha ILP avalada con máis de 40 mil sinaturas e a paralización do novo hospital de Vigo completan o repaso que facemos con Manuel Martín, voceiro de SOS sanidade pública, do trienio Feijóo | Nos últimos tres anos, as políticas aplicadas polo PP na Galiza en materia sanitaria dirixíronse cara a un obxectivo fundamental: desmantelar o sistema público. Para Manuel Martín, voceiro da Plataforma SOS sanidade pública, a folla de ruta que seguiron é clara: "potenciar o aseguramento privado e deixar en mans privadas a prestación de servizos que até o de agora eran públicos". Con Martín e a través das denuncias da Plataforma que representa --da cal fan parte partidos políticos como BNG ou PSOE; sindicatos como CIG, CC.OO, STEG ou CSIF; asociacións veciñais; grupos estudantís e multitude de colectivos do ámbito da saúde-- repasamos o que a lexislatura de Núñez Feijóo fixo coa sanidade pública no país. Incremento das listaxes de agarda: case 40 mil galeg@s non saben cando serán operad@sO paso pola consellaría de Sanidade primeiro de Pilar Farjas e de Rocío Mosquera, após o traslado a Madrid de Farjas para facer parte do goberno que encabeza Mariano Rajoy desde o 20N, supuxo para @s pacientes da Galiza unha listaxe máis longa en que se colocaren até ser operad@s, e máis tempo que agardar. As listaxes incrementáronse nun 30% nestes tres anos, con 3.600 persoas máis que cando Feijóo pisou a Xunta. A día de hoxe e segundo as cifras que manexa SOS sanidade pública, case 40 mil galeg@s non saben cando pasarán por quirófano. "E por riba ocultan as listaxes! Máis da metade das persoas non fan parte delas e moitas renunciaron porque desconfían de ser atendidos na privada e non teñen recursos". Os datos do Servizo galego de saúde recoñecen unha suba media do 20% nestes tres anos. En canto aos tempos e fronte á promesa de rebaixalos, aqueles aumentaron dos 70 até os 80 unha vez sumados os máis de seis meses de agarda que carrexa o hospital vigués Povisa, de titularidade privada mais onde consultan unhas 100 mil persoas en virtude dun concerto coa Xunta. Vén embaixo da cifra de 59,5 días --media de agarda sen Povisa--, que a Xunta gosta de manexar para dicir que a atención sanitaria está mellor agora que en 2005. Outra das promesas incumpridas durante a lexislatura foi a de aprobar unha lei de garantías sanitarias que fixese dos límites de agarda unha obriga legal. Importar para os hospitais galegos o modelo de financiamento público-privado de Madrid e ValenciaA construción do novo complexo hospitalario de Vigo está paralizada e o seu custo multiplicouse por sete após deixar a Xunta que empresas construtoras e financeiras achegasen o financiamento necesario. "Ao sector privado só lle interesa o lucro", valora Manuel Martín, polo que, de ollarmos o proxecto inicial, veremos como encolleron tanto as instalacións como o número de camas e a oferta de servizos. Así as cousas, "os amigos de Feijóo" --en referencia a Rodrigo Rato, vinculado a Bankia; e Francisco Camps, vinculado a Caja de Ahorros del Mediterráneo-- "estaban en quebra e non conseguiron xuntar os 190 millóns que debían poñer", entrementres a Xunta pedía un crédito por valor dos outros 180 millóns restantes ao Banco europeo de inversións --entidade que concede préstamos para a construción de infraestruturas públicas, neste caso sanitaria--, "crédito que computa como endebedamento". Para o 3 de outubro hai convocada en Vigo unha mobilización da Plataforma. Para alén do "rescate" público do hospital, quéixanse de que os novos plans da Xunta manteñan Povisa como hospital de área, cando a idea era que pasase a facer parte do complexo público. "Vulnerouse o contrato para reducir o número de camas" das 1.490 iniciais até as 900 actuais "e que Povisa manteña a súa posición". O aforro no gasto polos servizos contratados será do 30% segundo as contas de Martín, mais as empresas cobrarán en virtude do proxecto inicial. "É unha fraude. Dunha parede que tería 30 cm de grosor pasouse a unha con 3 cm. É o exemplo máis gráfico do que pasou con este hospital", destaca o voceiro de SOS sanidade pública. Veto no Parlamento ao debate ao redor dunha ILP avalada con máis de 40 mil sinaturasMalia ao convencemento de que a ILP contra a privatización da sanidade non recibiría o visto e prace do PP, tanto PSOE como BNG confiaron en que a formación conservadora si permitiría o seu debate. Así, a voceira do PSOE en materia sanitaria, Carmen Acuña, apelou á "actitude democrática", confiando en que "non terán ningún problema en pór esta iniciativa riba da mesa". Pola súa banda, Ana Luísa Bouza, vaticinou o resultado da votación, mais lembrou que o obxectivo é a divulgación "e un exercicio de democracia para que o PP non poida dicir que ten o apoio da cidadanía para tomar as medidas que toma". Mais o PP fixo uso da súa maioría no Parlamento galego e tombou a posibilidade de debater ao redor dunha ILP que estaba avalada por máis de 40 mil sinaturas. "Foi unha transgresión da vontade cidadá, e o primeiro que faremos será exixirlle á nova Cámara --a que se constitúa após as eleccións de outubro-- que debata e aprobe a nosa proposición de lei", conclúe Manuel Martín. A iniciativa reclama tamén que se recupere o plan de mellora da atención primaria aprobado en 2007 e que botou embaixo o PP. Aplicación do RD 16/2012: repagamento e facer do dereito á saúde un privilexio para @s asegurad@sO decreto imposto polo goberno español supón "o intento máis brutal que houbo nunca de acabar co noso modelo sanitario, baseado na universalidade", valora Martín, quen coloca para o novo modelo dúas características: aseguramento e repagamento. "Xa non abonda con acreditar que residimos na Galiza, senón que agora tamén hai que pagar o seguro sanitario". As principais prexudicadas foron as persoas inmigrantes en situación irregular. Así as cousas, en maio anunciamos xa que o Sergas estaba a saltar mesmo as excepcións contempladas na norma galega --de setembro de 2011-- e negaba a atención sanitaria a embarazadas, menores e mulleres en situación de prostitución. O RD 16/2012 entrou en vigor en xullo, após unha multitudinaria mobilización nacional na Galiza o 3 de xuño. Coas pensións máis baixas do Estado español, até 730 mil pensionistas (re)pagarán na Galiza os seus medicamentos. "É un atentado contra a equidade e a xustiza e que grava non os luxos nin o consumo, senón a enfermidade". Nos plans da dereita española está tamén que @s pacientes paguen por se faceren probas de diagnose que até o de agora foron gratis. Un exemplo: as mamografías. |
NOS_28330 | A débeda da multinacional ronda os 2.500 millóns de euros, 1.000 millóns máis que o pasivo auditado | A banca acredora de Pescanova (son 45 entidades financeiras de diferentes países) gostaría de que o consello da multinacional nomease un conselleiro delegado que exerza de interlocutor con ela e que renegocie a débeda. Unha débeda que ronda os 2.500 millóns de euros. Nesta terza feira, representantes do núcleo duro dos bancos acredores reúnense en Madrid para trazar qué facer. Ese núcleo duro, ou 'steering committee' está conformado por Novagalicia Banco, Banco Sabadell, Caixabank, Popular, Bankia, Deutsche Bank e Royal Bank of Scotland. No que traballa ese núcleo é no nomeamento de dous tipos de asesoramiento, legal e financeiro. Recortar poder a Fernández de Sousa? A división no seo do Consello de Pescanova é evidente entre o presidente (Fernández de Sousa, 14,4% da multinacional) e o segundo e terceiro accionistas: Damm (6,1%) e Luxempart (5,8%). Un escenario que non gosta nada a banca. Así, na reunión realizada a finais da semana pasada entre a banca acredora teríase falado de nomes para tomar as rendas da multinacional, substituíndo a Fernández de Sousa, ao que se critica tanto a xestión da empresa como da crise. Así, varias entidades gostarían de ver Antonio Basagoiti, actual presidente de Banesto e conselleiro de Pescanova dese 1996, na cadeira que actualmente ten Fernández de Sousa. Malia ser membro do Consello de administración da multinacional desde hai máis de 15 anos, Basagoiti non asistiu á xuntanza que este órgano tivo a pasada quinta feira, a primeira após a petición de preconcurso de acredores. |
NOS_11870 | O delegado do Goberno estatal di que a súa máxima preocupación é recuperar a conectividade coa meseta. | O delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñóns, pediu esta quinta feira "non especular" sobre as causas que provocaron o colapso dun treito da A-6 —no viaduto do Castro— na pasada terza feira. Miñóns apuntou que "é importante non entrar en especulacións" e deixar que continúe a investigación, xa en marcha. Alén de saber cales foron os factores que desencadearon o sinistro, o delegado recoñeceu que a súa máxima preocupación é "a conectividade coa meseta". Por este motivo, sinalou que o obxectivo principal é "abrir cando antes" o viario de dobre sentido "con seguridade" pero, mentres tanto, "reforzarase o servizo a través da estrada nacional". "Onte [pola cuarta feira] tamén se falou co alcalde de Pedrafita para reforzar a seguridade no interior do municipio", comentou. Cae unha ponte da A-6 ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro sen que haxa persoas feridas Miñóns defendeu as actuacións levadas a cabo na vía, remarcando que "grazas aos traballos de inspección detectouse a problemática". "Se non se chega a facer ese labor de mantemento, de investigación, non se detectaría esa problemática existente no sistema de cabos e, polo tanto, esoutro problema que estaba máis oculto. Debemos estar contentos de que sucedese cando sucedeu e de que non se perdesen vidas", matizou. Silencio da construtora A construtora madrileña Fomento de Construcciones y Contratas (FCC) negouse a declarar sobre o sucedido. Preguntada por Nós Diario sobre as causas da caída do viaduto da A-6, respondeu: "Non facemos ningún tipo de declaración". O problema "oculto" da ponte caída en Pedrafita do Cebreiro Na mesma dirección, o Ministerio de Infraestruturas declinou contestar a este xornal sobre se "se puxera en contacto coa empresa construtora da ponte de Pedrafita do Cebreiro". |
NOS_25126 | Lara Rozados é a recente gañadora do VII Premio de Poesía Victoriano Taibo, con O Caderno Amarelo, volume do que publicamos un avanzo. | Xornalista, muller de teatro en sentido amplo -autora, intérprete, promotora, crítica...- e escritora, Lara Rozados está a punto de ver o seu primeiro libro de poesía publicado. C'O Caderno amarelo vén de gañar o VII Premio de Poesía Victoriano Taibo, convocado polo Instituto de Estudos Miñoranos e a Entidade Local de Morgadáns. Lara Rozados defende a enerxía da cultura de base e o asociacionismo, ao seu ver, unha rede de creación que está a dar proxectos colectivos de grande interese. -Por que titula o seu primeiro libro O caderno amarelo? A obra é dispersa e foi escrita nun caderno de tapas amarelas co que me agasallara a miña tía e que non me atrevía moito a escribir nel. Só tiña a entrevista con Euloxio Ruibal que fixera para o A Fondo de Sermos Galiza e algunha cifra para guitarra. Unha noite comecei a escribir o que me rebumbiaba na cabeza pensando moito o que facía, case sen borróns e en dous meses naceu o libro. A coincidencia coa obra e Doris Lessing, O caderno dourado, gustoume. -En certa medida é unha homenaxe a Lessing? Lin con moito gusto a súa novela. A relación das mulleres coa escrita interésame, de feito estou a facer a tese doutoral sobre prácticas performativas de poesía das mulleres. Encantárame esa muller que escribía en diversos cadernos. Tamén eu á hora de escribir algo creativo necesito escribir a man. "Estamos nun momento moi precario mais hai tamén ansia de buscar saídas a través do asociacionismo e outras propostas colectivas. Dalgunha maneira todas somos precarias e estamos hiperactivas". -Será o seu primeiro libro publicado. Significa que comeza agora tamén a escribir poesía? Levo toda a vida en contacto con ela, xa desde adolescente ou mesmo desde nena. Cando medrei estudei Xornalismo, mais foime interesando a Filoloxía e, en concreto, a literatura. A relación de amizade con moitos poetas contribuíu tamén a que a poesía se convertese nunha ferramenta de expresión. Teño publicado en fanzines outras publicacións mais este será o primeiro libro. -Despois desa relación coa poesía desde a infancia, por que esa celeridade á hora de rematar o seu primeiro libro? É como se me dese unha arroutada de inspiración. Cadrou nunha época de moita precariedade e moita hiperactividade. Estaba á última pregunta, chamando a todas as ofertas de traballo e chegando a facer de axente de seguros. Ao tempo seguía coidando rapaces ou dando clases particulares e cunha vida asociativa moi intensa. Estaba un grupo de teatro movendo un espectáculo e a punto de estrear outro, no Cineclube de Compostela participabamos nun intercambio da Unión Europea cunha asociación checa e outra polaca, e seguía na tese e facendo artigos nalgún medio. Foi un mes no que se xuntaron infinidade de sensacións e no medio desa hiperactividade pasaban moitas cousas que me tocaban de perto e daban para pensar e canalizar buscando unha forma de resposta. De todo ese axetreo naceu o libro. Polas noites, os poemas foron nacendo. Logo souben da convocatoria e foi o primeiro premio ao que me presentei. -Esa precariedade e hiperactividade reflíctense no poemario? Creo que si porque eran parte do momento vital e iso inflúe na escrita, relacionada coa experiencia persoal e tamén colectiva. Cando falo destas sensacións non é algo que me aconteza só a min, senón que son compartidas. Estamos nun momento moi precario mais hai tamén ansia de buscar saídas a través do asociacionismo e outras propostas colectivas. Dalgunha maneira todas somos precarias e estamos hiperactivas. -Esa condición nótase nuns poemas que denuncian e son radicais contra as inxustizas por exemplo, no que fala de dúas rapazas violadas e asasinadas na India. Nacen da experiencia persoal e de temas que saen nos xornais aínda que tamén, os menos, hai algúns de carácter intimista e que teñen a ver con persoas importantes na miña vida persoal ou literaria. Unha frase que me gusta repetir é un verso de Gabriel Celaya que di algo similar a que a poesía ten que ter barro, manchar, estar a ras do chan, na rúa. Creo que a poesía ten que ter certo carácter, ás veces ser como unha cámara, ao meu ver, unha forma de captar algo co meu enfoque, o grao de luz que teño e que serve tamén para fixar as cousas que vexo. A situación das mulleres na India é particularmente dolorosa e escribín ese poema como a expresión máxima da violencia patriarcal que, de todas maneiras, existe en todo o mundo, viólanse e menosprécianse mulleres. "Toca facer teatro de guerrilla, algo próximo que, por outra parte, o escenario grande non facilita. Cando non hai alternativas, o asociacionismo é aínda máis necesario e as iniciativas de base son clave". -Cun discurso tan persoal sobre o feito poético, o enfoque de xénero é obrigado? Leva enfoque de xénero como calquera cousa que escribo, do teatro ao xornalismo. É unha perspectiva que aplico a todo o que escribo, forma parte de min. -Os premios abren novos camiños? Abren. Editar é complicado, non sendo que recorras á autoedición ou edición independente. Dalgunha maneira é o poemario dunha principiante mais desde entón non parei de escribir. Aspiro a formar unha linguaxe propia de meu e seguir escribindo. -Que características ten que ter esa linguaxe propia que desexa? Gustaríame moito definila, mais será á volta do tempo. O que sei é que estou na mesma coordenada que outra xente do meu tempo e o meu contexto. Trátase de escribir unha poesía cunha linguaxe moi clara, moi directa, que tire máis polo colectivo que polo persoal. Quero depurar a linguaxe o máis que poida sen demasiados adornos. Teño a norma de eliminar adxectivos e que os poemas sexan contundentes. -Desde os noventa non se volveu falar de xeración en sentido escrito, vostede recoñece elementos como para repensar o tema? Non sei se son quen de falar de xeración do dous mil ou dos violentos anos dez que diría Ataque Escampe mais o que si é certo é que, desde a precariedade existe unha rede que relaciona poesía, música, teatro... e toda a creatividade dunha xente que está a traballar de maneira moi cooperativa, con moita solidariedade. De aí saen temas moi interesantes, nun proceso aberto que se retroalimenta. -Alén do libro, como novidade ten o espectáculo Berlín no que leva á escena o disco de Lou Reed co músico e poeta O Leo. Son dez cancións de Lou Reed da que sae a obra que interpretamos os dous, unha mestura de narrativa, performance ou música. O disco é complexo, dez cancións que contan a historia dunha parella no Berlín dos anos setenta, unha parella que vive nunhas circunstancias determinadas nas que se dá toxicomanía, violencia e prostitución. Traballamos con emocións moi complexas. Levámolo por centros sociais e culturais. Interésanos chegar a ese público para o que os centros sociais son como a súa casa, onde vas tomar unha caña, atopar uns amigos e se hai teatro ou música tamén quedas a velo. Toca facer teatro de guerrilla, algo próximo que, por outra parte, o escenario grande non facilita. Cando non hai alternativas, o asociacionismo é aínda máis necesario e as iniciativas de base son clave. Establécense alianzas e lévanse de maneira solidaria iniciativas adiante. Tamén desaparece a división de público e artista, senón que o que antes era público dáse conta cada vez máis de que ten que participar e que a arte ten que estar pegada á vida. No número 117 de Sermos Galiza publicamos un avanzo de O Caderno Amarelo, na sección Textos, ao teu dispor nos quiosques do país e na nosa loxa, nesta ligazón. |
NOS_10990 | Ricardo Carvalho Calero chega por vez primeira ás votacións finais do Día das Letras Galegas. Nunha RAG dividida, Ferro Ruibal foi o defensor da candidatura de Filgueira Valverde. | Por vez primeira, a candidatura de Ricardo Carvalho Calero chega á votación final do Día das Letras Galegas. Curiosamente, os tres académicos que o apoiaron eran membros da executiva presidida por Xosé Luís Méndez Ferrín. Dous forman parte do ILG, Manuel González -candidato á presidencia en oposición a Alonso Montero- e Francisco Fernández Rei ao que se engadiu o nome do dramaturgo Euloxio Ruibal. Foi Francisco Fernández Rei quen fixo a defensa pública de Ricardo Carvalho Calero. Os avais do gañador Filgueira Valverde viñeron de Díaz Fierros, Pegerto Saavedra, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares e o historiador ex-presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro. Ferro Ruibal é o gran defensor de Filgueira Valverde na Academia. "Os avais de Filgueira Valverde viñeron de Díaz Fierros, Pegerto Saavedra, Ramón Villares e Xosé Ramón Barreiro. A Ferro Ruibal débese o discurso de presentación do candidato gañador" Con menos forza saíron as tres candidaturas que caeron antes de chegar á derradeira volta. A de Xela Arias defendida por Ramón Lourenzo, Antón Santamarina e Fernández Ferreiro, a de Celestino Fernández, promovida por Rosario Álvarez e Queiruga, os dous da executiva, e a de Manuel María, encabezada por Margarita Ledo Andión ademais de Darío Xohán Cabana, Xosé Luís Regueira e Fina Casalderrey. Xosé Filgueira Valverde xa fora o segundo en número de votos no plenario no que se proclamou o poeta Lois Pereiro para o Día das Letras Galegas. A só un voto quedara Filgueira do poeta de Monforte. A votación das candidaturas foi secreta co cal descoñécense os nomes de cada un dos bandos da Academia, que deu, máis unha vez, imaxe dunha institución polarizada e dividida cunha maioría que se decantou polo candidato máis vencellado ás institucións e menos á cultura viva do país. Non era difícil pulsar o malestar de certos membros despois de ser elixido Filgueira Valverde como homenaxeado para o Día das Letras Galegas. |
NOS_45536 | A empresa Inca denunciounos por un suposto delito de coaccións a 9 activistas da plataforma Lugo de Cara ao Miño. Eles négano, defenden o carácter pacífico das mobilizacións e lembran que "o tempo deunos a razón e demostrouse que as obras contra as que protestábamos eran ilegais". | Máis unha vez, veciños de Lugo terán que declarar perante a xustiza por mor dunha denuncia presentada por unha empresa a raíz das mobilizacións en defensa do Río Miño. Desta vez son 9 as persoas denunciadas, da plataforma Lugo de Cara ao Miño. Dúas delas (Rubén Arroxo e Maite Ferreiro) son, ademais, os concelleiros do BNG en Lugo. A denuncia é por un suposto delito de coaccións. As persoas acusadas explicaron que o pasado 30 de agosto de 2016 un grupo de persoas concentráronse na zona do Río Miño para protestar contra a reactivación das obras de construción dun dique que eles consideraban ilegal. "O tempo deunos a razón e demostrouse que as obras contra as que protestábamos eran ilegais", afirman. Aquel 30 de agosto 9 persoas foron identificadas pola Policía Nacional. Segundo explicaron elas propias "na zona onde estabamos concentrados non había ningunha sinalización nin peche perimetral das obras que indicase que nesa zona estaba prohíbido estar". Dende a plataforma explicaron que "en ningún momento falamos cos operarios da empresa nin cos representamos da mesma e permanecemos lonxe do lugar onde se efectuaban as obras, non entendemos como se puido levar a cabo esa suposta coacción". No lugar estaban presentes axentes da Policía Nacional e da Policía Local e en ningún momento lles indicaron que non podían estar alí ou que estaban comentendo algún tipo de delito ou falta. As persoas chamadas a declarar mantiveron que se trataba dunha protesta pacífica contra unhas obras que se confirmaron como ilegais e informaron que "a Plataforma Lugo Cara ao Miño naceu co obxectivo de traballar a favor do río, do medio ambiente e da cidade de Lugo". |
NOS_12747 | O tribunal, ademais, declara na sentenza que a Secretaría Xeral de Medios infrinxiu "os dereitos fundamentais da persoa" ao vulnerar o artigo da Constitución española que recoñece o dereito da cidadanía á liberdade de expresión e a recibir e a comunicar libremente información. | A Sección Segunda da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG estimou o recurso presentado por Cuac FM contra a prohibición de emisión radiofónica en FM ditada pola Xunta o pasado mes de febreiro. O TSXG declara na sentenza que Cuac FM ten vixente a garantía temporal de emisión que lle negaba a Secretaría Xeral de Medios mentres a administración competente "non se pronuncie de forma motivada e clara sobre a falta da devandita garantía temporal". Os maxistrados tamén anulan no fallo o apartado da resolución da administración no que advirte a Cuac FM de que podería ser sancionada se continuase coa actividade. A Xunta baseaba o seu ditame na negación da existencia da garantía temporal de emisión que agora o TSXG lle recoñece a Cuac FM e prevía "futuras sancións" se constataba "o incumprimento da devandita prohibición". O tribunal, ademais, declara na sentenza que a Secretaría Xeral de Medios infrinxiu "os dereitos fundamentais da persoa" ao vulnerar o artigo da constitución española que recoñece o dereito da cidadanía á liberdade de expresión e a recibir e a comunicar libremente información. Así, o TSXG sostén que a administración autonómica infrinxiu "os preceptos legais que constitúen unha garantía temporal de emisión para a actividade de libre expresión e comunicación de información e de creación e uso de medios de comunicación, neste caso dos servizos de comunicación audiovisual comunitarios". A resolución da Secretaría Xeral de Medios, segundo consta na sentenza, o que fai é "prohibir e advertir da comisión de infracción en caso de desobediencia por falta de licenza", un permiso que o tribunal destaca que Cuac FM "non pode obter dada a inactividade da administración". Os xuíces argumentan que a normativa audiovisual prevé un período en que os operadores poderán seguir emitindo ata que se regule polo Estado, "prevendo a concesión das oportunas licenzas, sen que se producise aínda a regulación normativa en Galicia". Ademais, destaca que o dereito á creación de medios de comunicación "a través dos cales difundir ideas, opinións e información" é unha "das liberdades recoñecidas" na constitución. |
NOS_34190 | Esta tarde decorrerán en 13 cidades e vilas do país mobilizacións contra os Borbóns e na demanda de superar o actual réxime. | Felipe VI xa é Rei de España e en Galiza daráselle a benvida esta tarde en forma de concentracións e mobilizacións contra a monarquía. Serán 14, a realizar de norte (Burela) a sur (Vigo) e de leste (O Barco) a oeste (Noia), tecendo no país un ronsel a prol dun proceso constituínte. Desde o soberanismo galego lémbrase que tamén en Euskal Herria e en Catalunya vai haber actos de rexeitamento da monarquía en chave de defensa de procesos constituíntes propios. Así, no País Vasco haberá manifestacións pola tarde nas diferentes cidades coa palabra de orde 'Herriaren eskubideen alde. Gurea euskal errepublika' (A favor dos dereitos do pobo. A nosa, a república vasca). En Catalunya, o lema da CUP (que chama a se concentrar ás 20:00 diante de todos os concellos) é 'Pola república dos Países Cataláns. Os cataláns e as catalás non temos rei nin o queremos'. Tamén no Estado español, e co apoio da esquerda federal, colectivos cidadáns, etc.. decorrerán concentracións para cuestionar a monarquía e coa petición dun referendo como punto dentral da axenda. Lugar e hora mobilizacións na Galiza: A Coruña. 20:00 horas. Casa do Mar. Boiro. 20:30 horas. Diante do Concello. Ferrol. 20:00 horas. Praza do Himno Galego. Compostela. 19:30. Praza de Praterías. Lugo. 19:00. Diante da Subdelegación do Goberno Ourense. 20:00. Praza Maior. Noia. 20:30. Diante do Concello. Pontevedra. 20:30. Praza da Peregrina. Vigo. 20:00. Cruz do Castro. Vilagarcía. 20:30. Praza de Galiza Burela. 20:30. Praza da Mariña Cangas. 20:30. Diante do Concello O Barco de Valdeorras. 20:30. Praza do Concello. Monforte. 20:30. Praza de España Diferentes colectivos e organizacións convocan ás 20:00 na Praza de Armas (Ferrol), |
NOS_30406 | A CIG denuncia que a Xunta ampliou os seus concertos con residencias privadas en 700.000 euros (até os 2,7 millóns) mentres nas públicas aplica a tesoira. Entre os recortes, a redución nun 50% do orzamento para a comida por residente nos centros públicos. | O Diario Oficial de Galiza (DOG) publicaba esta semana un anuncio polo que se orzamentaban 690.000 euros para residencias de maiores privadas. Unha cantidade que eleva a máis de 2,7 millóns de euros a cantidade que, afirma a CIG, a Xunta está a destinar a este tipo de centros. E iso mentres, denuncia a central nacionalista, nas residencias públicas están a sofrer importantes recortes. Este sindicato considera que a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, está a consolidar nesta recta final de verán "a folla de rota para traspasar a empresas privadas a atención a persoas maiores". Nada de verdura ou peixe fresco A CIG denunciara recentemente que os recortes que a Xunta estaba a aplicar nas residencias de maiores públicas eran constantes. Entre os recortes aplicados pola Consellaría neste mes de agosto, sinalan dende a Sección Sindical, está a redución de 3 euros (50%) no orzamento para a comida por residente. Isto obriga a deixar de comprar verduras, carne ou peixe frescos -máis adecuados ás necesidades alimenticias das persoas maiores- que son substituídos por produtos conxelados e precociñados, ao igual que ocorre co aceite de oliva. A isto engaden a posta en práctica dunha norma do Sergas, que estabelece que cada residente con problemas de contención só disporá de 3 compresas para o día e 1 cueiro para a noite. Os recortes tamén afectan á renovación de material avariado, obsoleto ou necesitado de recambios (camas, grúas, cociñas, fornos, lavadoras, calandras, secadoras). Comparecencia Fronte a este deterioro na prestación e na calidade nos centros dependentes de Benestar, dende a representación sindical do persoal laboral que traballa en residencias de maiores e centros de menores dirixíronse aos grupos con representación no Parlamento galego, para soliciten a comparecencia por vía de urxencia da conselleira de Traballo e Benestar, pois a cidadanía "debe ser informada desta situación de agresión aos servizos sociais, cando se recorta en necesidades básicas de atención directa e non se achegan solucións". |
PRAZA_5480 | A vivenda, a sanidade, a alimentación ou a cultura non se defenden nun parlamento burgués. Conquístanse nos microespazos diarios das nosas vidas. Na desobediencia política a un devir capitalista e funcional que moldea nosas relacións cercanas na máxima do "ter" deixando a lóxica do "ser" como unha lóxica política sen uso nin beneficio | A convulsión dos tempos electorais é unha constante na vida política das sociedades industrializadas. As xerarquías políticas vístense coas abruptas galas do pobo aldraxado, nun xiro vergoñento onde o signo da exclusión substitúese polo símbolo dunha democracia maltreita e baleirada de contido polos propios protagonistas que a din defender. As xerarquías políticas vístense coas abruptas galas do pobo aldraxado, nun xiro vergoñento onde o signo da exclusión substitúese polo símbolo dunha democracia maltreita e baleirada de contido Dicía Rosa Luxembugo que "a ditadura democrática do proletariado foi substituída pola ditadura burocrática de partido" e neste cambio xunto con outros condicionantes culturais, económicos e ecolóxicos semella residir, para a autora, parte do fracaso do poder revolucionario (chamado, na actualidade, poder constituínte). A súa transmutación nunha especie de placebo narcotizante das necesidades insatisfeitas do conxunto da sociedade é unha realidade. O social como válvula de escape das súas propias tensións xoga un papel determinante no agromar dun certo xerme revolucionario e libertario. Todas e todos sabemos do papel das políticas neoliberais nas nosas vidas, políticas que nun proceso de hiperespeculación elevaron ó capitalismo a forma de sentido e significado cotiá, cercano e comunitario. A construción social dos últimos 40 anos pódese apreciar no urbanismo que engalana as cidades superpoboadas e baleira o rural abandonado. O paso de economías de autoabastecemento-autárquicas a economías de servizos-plutárquicas resulta non só evidente, senon o resultado da continxencia capitalista onde os pobos do norte e do sur atópanse inxeridos. Cales son os proxectos que unha certa esquerda institucional e institucionalizada pode plantear a parte de mediocres berrinches contra a oligarquía rexente? Cales son os proxectos que unha certa esquerda institucional e institucionalizada pode plantear a parte de mediocres berrinches contra a oligarquía rexente? Escasos, poderíamos contestar. E nos trabucaríamos, xa que unha certa esquerda con hexemonía social, cunha base social transformadora e rupturista nunca tomou o poder. Si, por momentos, partidos que dicían traballar no seu nome. Pero a dinámica do "curtopracismo" capitalista inhibiu e desartellou calquera proceso de cambio sostido no tempo e proxecto transformador construído no espazo. A día de hoxe, en moitos movementos sociais, apréciase como a oprimida reproduce as lóxicas do opresor. Como se empatiza co banco que expropia e rouba. Como se transixe cos Servizos Sociais que mendican e reparten a caridade dende a compracencia estatal. Como se acepta o relato "individuo-empresa" que fracasa e fica no esquecemento e na pobreza. Non é xa que se substituira a comunidade, o comunitario polo persoal e individualizado atomizado, senon que este funcionamento atravesa transversalmente todas e cada unha das relacións sociais converténdose nun senso común sobre o que a desigualdade se normaliza, a pobreza relativízase e a empatía esquécese. Este funcionamento atravesa transversalmente todas e cada unha das relacións sociais converténdose nun senso común sobre o que a desigualdade se normaliza, a pobreza relativízase e a empatía esquécese Poderíamos relatar machaconamente como o sentir propietarista converteuse nun vector de dereito cando o acceso á propiedade privada é, basicamente, clasista, privilexiado e competitivo. Poderíamos narrar a asimetría existente entre o capital dispoñíbel e as necesidades básicas insatisfeitas. Poderíamos falar sobre o xurdimento dunha nova categoría laboral, o precariado: altamente formado, altamente explotado e baixamente remunerado ao abeiro da flexiprecariedade ou do novo mantra"traballa para ser pobre". Poderíamos denunciar a violencia estrutural que sobre a muller se exerce diariamente en forma de lexislación corporal, desprotección social (o 70% de pobres no mundo, son mulleres) e infravaloración xenérica. E nada solucionaríamos. Aínda moito peor. Quen di axudar e loitar por nós, probablemente sexa propietario, acomodado e machista. Por outra parte, nada que non se levara padecendo na esquerda institucional ao longo das décadas e nada que non se experimente no seo do corpo social e no latir do corazón popular, habitualmente nomeado como "contradición". Di o filósofo italiano Antonio Negri que dentro do Estado o poder lexislativo é a vontade e o executivo a forza e que no pobo reside ese "poder constituínte" inabarcábel e irrefreábel Di o filósofo italiano Antonio Negri que dentro do Estado o poder lexislativo é a vontade e o executivo a forza e que no pobo reside ese "poder constituínte" inabarcábel e irrefreábel que na súa conformación muda non só as nocións do posíbel a realizar, senon as relacións políticas e sociais que lle dan forma. Dándose a curiosa e chamativa contradición dun poder (o constituínte) sen marco que o englobe (unha constitución). Un poder popular, sen rei soberano nin institucións que o encapsulen. Quen sabe se unha utopía da xenealoxía das sociedades. A vivenda, a sanidade, a alimentación ou a cultura non se defenden nun parlamento burgués. Conquístanse nos microespazos diarios das nosas vidas Nos próximos tempos escoitaremos promesas ocas con Europa como coartada. A importancia dunha participación cerril nun proceso representativo, distante e falto de consenso. A vivenda, a sanidade, a alimentación ou a cultura non se defenden nun parlamento burgués. Conquístanse nos microespazos diarios das nosas vidas. Na desobediencia política a un devir capitalista e funcional que moldea nosas relacións cercanas na máxima do "ter" deixando a lóxica do "ser" como unha lóxica política sen uso nin beneficio. Na destitución consciente e activa das clásicas relacións político-representativas autoasignadas, con nula vinculación á necesidade que din combater (cecais, a abstención sexa menos "despreocupada" e "pasota" do que se poida pensar). No capitalismo non hai finalices felices, como parece ser que partidos socialdemócratas queren facer crer co intento de volver a un Estado de Benestar No capitalismo non hai finalices felices, como parece ser que partidos socialdemócratas queren facer crer co intento de volver a un Estado de Benestar particular no malestar global que xa non é posible nin desexable. A pelota non está no noso tellado, porque ao xogo do lucro, da riqueza censitaria e da explotación do ser humano polo ser humano, xa vai tempo que dixemos que non xogabamos. Cecais, por iso, resulte tan difícil convencer dun voto pra algo que sempre foi nada. |
PRAZA_15906 | O Concello lucense prevé comezar a despregar un proxecto que propón despregar 65 quilómetros de "itinerarios ciclistas, non carrís bici", por toda a cidade. O goberno local valora acceder a fondos europeos para inciar a implantación do plan. Comproba con esta ferramenta cal sería o resultado. | Circular en bicicleta polas cidades galegas segue a ser, agás excepcións -caso por exemplo do centro de Pontevedra-, unha actividade de alto risco. A aposta pola bicicleta como vehículo de uso cotián, alén do lecer e da práctica deportiva puntual, é unha prolongada reivindicación diversos colectivos como Masa Crítica e outros, que vén nas dúas rodas unha vía para mudar a mobilidade dos espazos urbanos en xeral, priorizando as persoas sobre os coches e reducindo, asemade, as emisións contaminantes. Reivindicacións coma estas, pero tamén estudos como o Libro Branco do Transporte da Comisión Europea (2011) ou o Urban Mobility Package (2013), así como o Plan Director de Mobilidade Alternativa de Galicia (2013) están por tras dun proxecto para dotar a cidade de Lugo de ata 65 quilómetros de vías ciclistas, que o Concello ten sobre a mesa dende hai un ano e que agora di estar disposto a comezar a despregar. O proxecto proposto ao Concello contempla 65 quilómetros de "itinerarios ciclistas, non carrís bici" Este Proxecto de Promoción da Bicicleta, coordinado polo enxeñeiro de camiños Jesús Martínez, propón reorientar a mobilidade na cidade da Muralla cara a unha "cultura da bicicleta" que, cun ollo posto nas infraestruturas e outro na adaptación da veciñanza, permita desprazarse por toda a cidade sen necesidade de botar man do coche. Trátase, di, de "deseñar itinerarios ciclistas, non carrís bici", cunha planificación a longo prazo pero cun despregamento inicial a través de "solucións brandas", isto é, que non requiran un gran investimento público, tales como "eliminación de carrís para vehículos" e de aparcadoiros en superficie, traslados de zonas de carga e descarga ou desprazamento de paradas de autobús, entre outras medidas. O plan traza dez itinerarios, tres deles principais: do campus ao centro, na Ronda da Muralla e do Ceao á zona histórica Baseándose nestes principios o estudo propón dez itinerarios que cobren a práctica totalidade da cidade: do campus universitario á Ronda da Muralla, da Ronda ao polígono industrial do Ceao, da Ponte Romana ao casco histórico, da contorna da Milagrosa á Avenida de Madrid ou da Garaballa á Avenida das Américas, entre outros. De todos estes habería tres "principais" que serían os primeiros en implantarse: o do campus ao centro, o que arrodearía boa parte da Muralla -toda agás a zona máis estreita, entre as portas de bispo Odoario e bispo Aguirre e o do parque industrial do Ceao á zona histórica. Este sería o resultado sobre o terreo, segundo as simulacións incluídas no plan (move as frechas para observar o aspecto actual da rúa e o que tería coa vía ciclista): A proposta remitida ao Concello formula tres fases para a implantación do plan. A primeira, de "accións urxentes", implicaría modificar as ordenanzas de circulación, a instalación dunha ampla rede de aparcadoiros para bicicletas e a creación da rede principal de vías ciclistas. A segunda fase, de entre un e dous anos, ampliaría a rede e os aparcadoiros. Todo o proxecto, calculan, podería estar despregado nuns cinco anos ao cabo dos cales o investimento dedicado a construír vías, modificar interseccións perigosas e instalar "aparcabicis" roldaría os 1,92 millóns de euros. O estudo calcula un custo de 1,92 millóns de euros para as novas infraestruturas A posibilidade de acceder a financiamento para estas actuacións é o que leva o goberno local a apostar por comezar a aplicar un plan que, admiten, non traería consigo poucas dificultades. En declaracións a Praza Pública o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, explica que o Concello prevé acceder a axudas da Unión Europea coa que, di, sería posible "marcar obxectivos e orzamentar actuacións ano a ano" no marco do novo plan de mobilidade da cidade en xeral, e do plan de uso da bicicleta en particular. O edil de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, anuncia a posta en marcha de "mesas de traballo" para o inicio do plan O gabinete de Lara Méndez, indica Piñeiro, disponse a poñer en marcha "mesas de traballo" recomendadas polos técnicos municipais para "ir desenvolvendo o plan xunto coas obras da cidade de maneira ordenada". Nestas mesas, di, tamén sentarán persoas expertas no traballo de "concienciación, que actúen prevendo posibles conflitos" e deseñen accións de sensibilización que vaian dende o ámbito técnico ata o "lúdico" ou propoñan "experiencias piloto", como a limitación do tráfico de automóbiles nunha determinada zona durante varios días. Exemplos como os de Vitoria ou "os itinerarios seguros de Pontevedra", di Piñeiro, son exemplos para o desenvolvemento dun plan que, asegura, tamén se porá en común "a nivel político". Neste sentido o voceiro do BNG local, Rubén Arroxo, vén de realizar unha primeira valoración do plan instando a "apostar pola convivencia nun tráfico calmo" entre peóns e bicicletas. "As bicicletas son parte da paisaxe e non temos que crear cárceres en forma de carril bici", di o edil, que lembra a aprobación en pleno, o pasado setembro, dunha iniciativa de Masa Crítica a prol da limitación do tráfico rodado a 30 quilómetros por hora como primeiro paso para a extensión do uso da bicicleta en Lugo. |
PRAZA_11302 | Un asistente, coa emoción de quen chama á mobilización preguntou: Que facer fronte os avances xenófobos ou racistas no mundo? a Dra. Yuval-Davis respondeu: "hai que comprender". | O réxime global para as persoas refuxiadas está cambiando o seu enfoque humanitario asistencial a unha perspectiva de desenvolvementoA situación contemporánea das persoas que buscan protección internacional por desprazamento forzado xera novos desafíos sociais e institucionais para garantir a convivencia harmónica entre comunidades locais e aquelas que buscan refacelas súas vidas en Europa. Ante isto, as cidades son nodos centrais para procesar axendas como os Pactos Globais para a migración e o refuxio. Isto lévanos á necesidade de reflexionar sobre como as cidades de Galicia forman parte de este proceso. Intérnome pois na experiencia de Santiago de Compostela e nun dos seus alicerces institucionais: a súa universidade.O réxime global para as persoas refuxiadas está cambiando o seu enfoque humanitario asistencial a unha perspectiva de desenvolvemento que atenda integralmente ás persoas en situación de desprazamento forzado; este cambio de mirada sitúa aos potenciais novos habitantes ante procesos de integración que aínda se están a implementar nos lugares aos que están chegando a vivir. Entre os distintos campos en transformación está a educación. É coñecido o amplo desenvolvemento e mellora nos programas de educación primaria ou secundaria para persoas en situación de desprazamento forzado. Pero recentemente a Estratexia de Educación da Axencia para os Refuxiados de Nacións Unidas incorporou a educación superior como un compoñente das solucións duradeiras e de protección para as persoas refuxiadas.A sociedade compostelá sábese parte dun complexo urbano que atrae diferentes procesos da globalización contemporánea xeradores de beneficios sociais e económicos, que teñen que ser distribuídos da mellor maneiraA sociedade compostelá sábese parte dun complexo urbano que atrae diferentes procesos da globalización contemporánea xeradores de beneficios sociais e económicos, que teñen que ser distribuídos da mellor maneira, pero a urbe compostelá convértese tamén nun polo de atracción de impactos non desexados que require reformular a maneira en como se organiza a cidade para beneficio dos seus habitantes habituais, para aqueles habitantes temporais, e para os visitantes que, durante uns días, viven as súas rúas pero que, moitas veces, non son conscientes das situacións negativas que deixa na localidade a súa maneira de estar.Santiago de Compostela afronta os seus propios desafíos globais, e as solucións veñen dos diferentes actores que dan vida e sentido á vida cotiá da cidade. Entre os alicerces da cidade está a súa universidade que, con mais de 500 anos de existencia, é un referente global de produción científica e de coñecemento; á vez, esta universidade conta con especificidades que a fan atractiva internacionalmente nunha contorna española e europea: o seu patrimonio cultural, a calidade de vida e a seguridade que ofrece á súa comunidade universitaria.O cuarto artigo do estatuto da universidade expresa que unha das súas funcións sociais é apoiar o desenvolvemento social, económico e cultural da sociedade galega a partir do coñecemento científico e técnico que produce. As actividades aquí expostas reflicten unha universidade comprometida coa sociedade, o que a dota de vida cotiá; a universidade é compoñente fundamental para comprender a cidade e a sociedade compostelá; polo que resulta indispensable observar e acompañar as accións que a universidade desprega, nos ámbitos culturais, empresariais e na vida diaria da cidade, sen esquecer o seu rol social de xeradora de coñecemento crítico.Como a Universidade de Santiago está a contribuír na recepción e inclusión na cidade de persoas en situacións de desprazamento forzado?Perante os desafíos da mobilidade humana contemporánea; Como a Universidade de Santiago está a contribuír na recepción e inclusión na cidade de persoas en situacións de desprazamento forzado? Como parte de este réxime global para as persoas en situación de desprazamento forzado a Universidade de Santiago de Compostela leva realizado diversas accións concretas que, de acordo ao seu campo de actuación na sociedade contribúen a que as persoas con status de refuxiado poidan retomar, desenvolver e concluír os seus estudos universitarios; isto, xunto coa sensibilización e concienciación da sociedade compostelá sobre as situacións que experimentan as persoas con status de refuxio ou na busca del.No marco da estratexia de internacionalización e cooperación da Universidade de Santiago de Compostela, dende a Vicerreitoría de Internacionalización, coordínase o proxecto UNINTEGRA. Con apoio do Fondo de Asilo, Migración e Integración da Comisión Europea, e en colaboración coas universidades nacional e Kapodistriaca (Grecia), Minho (Portugal), e as fundacións ACSAR (Francia) e Balmes (España), desenvolven accións para a integración de persoas refuxiadas. Cunha perspectiva integral, o proxecto atende aspectos emocionais, educativos e académicos das persoas refuxiadas; e xera capacidades para as entidades sociais e profesionais que traballan directamente con esta poboación refuxiada; buscando así contribuír a que as persoas refuxiadas se incorporen á sociedade compostelán.Un asistente, coa emoción de quen chama á mobilización preguntou: Que facer fronte os avances xenófobos ou racistas no mundo? a Dra. Yuval-Davis respondeu: "hai que comprender"As actividades que a universidade organizou co Consello da Cultura Galega serían outras das accións da universidade perante as persoas refuxiadas. Unha foi o evento "Persoas Refuxiadas Conciencia" en 2018 que tivo por obxecto reflexionar dende un ambiente científico sobre a situación das persoas refuxiadas; con miradas históricas e contemporáneas de expertos da migración galega, española e a migración que chega cara Europa salientouse e evidenciouse a capacidade de axencia científica das persoas en movemento; para enriquecer estas reflexións aportouse a voz de mocidade científica e estudantes que se benefician dos programas para estudantes de Medio Oriente da Universidade de Santiago de Compostela. A segunda actividade foi o Ciclo "Europa Fortaleza: Fronteiras, Valados, Exilios e Migracións" que se deu entre 2016 e 2017. Contou coa presenza de académicos recoñecidos internacionalmente; a partir de diferentes tradicións de pensamento e un achegamento interdisciplinario o público asistente recibiu un coñecemento plural sobre os desafíos da mobilidade humana contemporánea. Durante a sección de preguntas e respostas na conferencia de Nira Yuval-Davis, ela deu a resposta que sintetiza o fin último de estes espazos de reflexión e que clarifican a función social da universidade que non se debe esquecer ante os desafíos da mobilidade humana contemporánea. Un asistente, coa emoción de quen chama á mobilización preguntou: Que facer fronte os avances xenófobos ou racistas no mundo? a Dra. Yuval-Davis respondeu: "hai que comprender". |
PRAZA_10562 | Ex-alcaldesa, ex-presidenta do porto, ex-presidenta da Zona Franca, ex-conselleira con Fraga, ex-senadora, ex-vicepresidenta da Deputación e ex-presidenta do CES, Feijóo entregoulle hai un mes o control do partido e agora dálle un soldo público na cidade | Ex-alcaldesa, ex-presidenta do porto, ex-presidenta da Zona Franca, ex-conselleira con Fraga, ex-senadora, ex-vicepresidenta da Deputación e ex-presidenta do CES, Feijóo entregoulle hai un mes o control do partido e agora dálle un soldo público na cidadeNinguén en Vigo nos últimos anos pasou por máis postos públicos que Corina Porro (Ferrol, 1953), ex-alcaldesa, ex-presidenta do porto, ex-conselleira, ex-directora xeral da Xunta, ex-vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, ex-senadora, ex-deputada autonómica, ex-presidenta da Zona Franca e ex-presidenta do Consello Económico e Social. Ese último posto, no que a puxo Feijóo en 2011 despois de que Abel Caballero lle gañase por segunda vez a alcaldía da cidade, ocupouno ata esta semana. Agora terá outro posto público, nun novo episodio de recolocación en cadea de cargos populares pola Xunta tras uns malos resultados electorais.Hai un mes, tras a nova derrota electoral do PP ante Caballero (13% fronte a 67% dos votos) e a dimisión da candidata e presidenta local do partido, Elena Muñoz, Feijóo encargou a Porro a presidencia da xestora que asumiu o control da formación en Vigo ata un futuro congreso. Porro asegurou que non volvería á política local, pero este xoves Feijóo, que enumerou parte dos seus cargos anteriores e gabou a súa longa traxectoria, deulle tamén un novo cargo oficial, o de delegada da Xunta en Vigo, con soldo público e coche oficial desde o que tentar ao tempo sacar a flote o PP vigués. O despacho terao a poucos metros dos outros tres que ocupou na cidade, o do porto, o da vicepresidencia da Deputación e o da alcaldía que durante o seu mandato trasladou á mesma zona privilexiada cun polémico custo.Porro comezou na política local viguesa como concelleira en 1995 e agora, malia asegurar que non volvería á mesma, será a delegada da Xunta na cidade ao tempo que preside o PP localCorina Porro comezou na política local viguesa como concelleira en 1995. O seu habitual sorriso e trato afable sexa cun mozo ou cun ancián compaxinado coa súa capacidade de endurecer a faciana para lanzar duras críticas políticas acompañárona na súa multifacética carreira política. Catro anos despois, en 1999, foi nomeada directora xeral de Servizos Sociais da Xunta, e en 2001 era ascendida a conselleira do mesmo departamento. En 2003 foi a candidata do PP á alcaldía, que malia ser a máis votada non logrou nos comicios senón medio ano máis tarde a través dunha moción de censura contra o PSdeG facilitada polo BNG. Como rexedora correspondeulle ocupar ao tempo a presidencia do Consorcio da Zona Franca da cidade, posto no que foi máis alá do institucional para enfrontarse co director executivo da entidade, o delegado do Estado, nomeado polo daquela Goberno central do PSOE.Durante esa etapa como alcaldesa decidiu trasladar o despacho da alcaldía da sede central da administración local a un edificio señorial xunto á ría, na privilexiada rúa Areal, para dar maior visibilidade á institución. Os socialistas sacaron tempo despois á luz facturas que evidenciaban que o mobiliario daquel despacho supuxera 377.000 euros.Porro foi a candidata máis votada nas municipais de 2003, 2007 e 2011Nas municipais de 2007 Porro volveu ser a candidata máis votada pero perdeu a alcaldía a mans dunha coalición de PSdeG e BNG encabezada por Abel Caballero, que chegou ao cargo desde o seu anterior posto de presidente da Autoridade Portuaria de Vigo. Porro intentou unha estratexia similar para recuperar a alcaldía a partir doutro posto público e, tras ser senadora e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, cargo no que volveu ocupar un despacho oficial desa institución nun edificio lindeiro co do Concello xunto á rúa Areal, en 2009 foi nomeada pola Xunta de Feijóo presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo. O seu despacho desprazouse daquela apenas 300 metros, pero desde el non logrou recuperar en 2011 a alcaldía, que volveu ser para Caballero malia ser a popular por terceira vez a candidata máis votada. Feijóo deulle daquela a Porro a presidencia do Consello Económico e Social, o principal órgano "de diálogo e deliberación entre os axentes económicos e sociais e a Xunta", posto cun soldo de 69.000 euros brutos ao ano máis os trienios que lle correspondesen como empregada pública, só por tras do de Feijóo. Nese posto, en Santiago, estivo Porro ata agora afastada da primeira liña política vendo como a candidata que a sucedeu na cidade, Elena Muñoz, ex-conselleira de Facenda e elección persoal de Feijóo, afundía por dúas veces, en 2015 e o pasado 26 de maio, os resultados do PP na cidade fronte a Abel Caballero. Porro será a cuarta persoa que ocupe a delegación da Xunta na cidade creada por Feijóo en 2009 como contrapoder fronte a Abel CaballeroAgora, doce anos despois de deixar en 2007 a alcaldía da rúa Areal, dez despois de saír da lindeira vicepresidencia da Deputación e oito despois de abandonar tamén a veciña Autoridade Portuaria, Porro volve a un despacho oficial na mesma zona privilexiada de Vigo, onde se levanta o edificio da delegación da Xunta na cidade e a súa área metropolitana. Será a delegada do Goberno de Feijóo en Vigo, posto cun soldo de 58.000 euros brutos, máis trienios, no que substitúe a un antigo compañeiro de goberno local, Ignacio López-Chaves, que a reemplazou á súa vez a ela en 2011 á fronte do porto e que agora é recolocado tamén noutro posto autonómico. Porro será a cuarta persoa que ocupe a delegación da Xunta na cidade creada por Feijóo en 2009, tras Lucía Molares, María José Bravo Bosch e López-Chaves. Os tres intentaron, sen éxito, actuar como contrapoderes de Caballero. Agora tócalle a ela, ao tempo que intenta reconstruír o partido local. Segundo Feijóo, é a persoa idónea xa que ao ser ex-alcaldesa é "coñecedora das necesidades" da cidade. |
NOS_31796 | Os nacionalistas poderían obter máis gobernos se chegan a acordos en lugares como Barro ou Moaña. | Co 99% dos votos escrutados, o BNG obtivo un total de 468 concelleir@s e 17 alcaldes, segundo os dados oficiais do Ministerio do Interior, nos comicios municipais deste domingo. Desas 17 alcaldías, 13 obtéñense con maioría absoluta de edís do Bloque na Corporación e 4 con maioría relativa. Pontevedra é a principal praza de goberno dos nacionalistas, a cidade onde o BNG encetará o seu quinto mandato con 12 concelleiros, un máis dos que tiña no mandato anterior. En Carballo o BNG conquistou este 24M a maioría absoluta (11 edís). Maioría absoluta de edís tamén obtivo o Bloque en Ribadeo, Tomiño, Bueu, A Pobra do Brollón, Moeche, Castrelo do Miño, Carnota, Zas, Vimianzo, Allariz, Mazaricos e San Sadurniño. Rianxo, Poio e Mondoñedo son as outras vilas onde a alcaldía será nacionalista. Máis de 189.000 votos logrou a candidatura BNG-Asembleas Abertas nesta cita coas urnas, o 12,9%. O top 5 do BNG | Create infographics |
PRAZA_17002 | O Bloque celebra un multitudinario acto, con preto de 2.000 persoas, en Pontevedra e estrea un tema musical que reivindica o traballo da formación nacionalista e do alcalde da cidade do Lérez. | O BNG exhibiu forza nunha multitudinaria cea con preto de 2.000 persoas este venres no Recinto Feiral de Pontevedra coa que deu inicio á precampaña das eleccións municipais, que se celebrarán dentro dun ano, en maio de 2019. Baixo o lema Imos cara adiante, a formación nacionalista xuntou numerosos persoeiros da sociedade de Pontevedra de diferentes ámbitos --empresarial, veciñal, deportivo, social ou cultural-- nun evento de apoio que contou cunha sorpresa. Durante a cea tivo lugar a estrea da canción Segue cara adiante, composta por Gonzalo Maceiras. O BNG exhibe forza nun acto con preto de 2.000 persoas en Pontevedra co que lanza a precampaña municipal No tema, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, fai a súa estrea como cantante acompañado de Mariña, vocalista da banda Furious Monkey House, Cora Sayers, Xaquín Moreda de Maravallada e participantes nos Cantos de Taberna. No videoclip, gravado pola compañía Producciones Mutantes, os protagonistas percorren espazos emblemáticos de diferentes zonas de Pontevedra. E empeza cun discurso que finaliza co comezo do tema, no que é o rexedor pontevedrés quen inicia o canto. O alcalde Fernández Lores debuta como cantante no videoclip presentado no acto deste venres A canción foi unha das protagonistas do acto no que a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, dixo estar "contenta" ao comprobar como Lores está "máis en forma que nunca". "É un orgullo ter persoas como Lores liderando un proxecto de cidade, que apostou pola potencia de Pontevedra e nos situou a nivel internacional", advertiu que "con orgullo de país" o Bloque ten "todo por gañar", mentres outros partidos céntranse en "navalladas" ou en "intrigas palaciegas". Pola súa banda, a concelleira nacionalista en Pontevedra, Ana Gulías, abriu as intervencións gabando un proxecto "común" dun equipo de goberno "cohesionado, honesto e comprometido". Ademais, o alcalde Fernández Lores agradeceu o traballo dese equipo e do propio Bloque. Ademais, asegurou que "o mellor" para Pontevedra "está por chegar" e advertiu de que no modelo de cidade impulsado nos últimos anos collen "todos". "É un orgullo ter persoas como Lores liderando un proxecto de cidade, que apostou pola potencia de Pontevedra e nos situou a nivel internacional", di Pontón O proxecto Pontevedra, destacou Fernández Lores, non é do alcalde, nin do "magnífico" equipo de goberno ou da "abnegada e entregada" militancia do BNG, senón que é un traballo "colectivo" de todas aquelas persoas "que lle queren a Pontevedra, que queren un futuro mellor e están dispostas a deixar ao carón prexuízos e ataduras e sumar forzas para avanzar". Neste modelo, engadiu, "collemos todos" e mostrouse convencido de que "o mellor está por chegar", polo que os miles de pontevedreses que apostan por este proxecto "non podemos abandonar" e, entre eles, "eu o primeiro", logrando sumar "cada vez máis xente" para que o avance de Pontevedra "se acelere". |
NOS_14074 | 'Horizonte después' era o plan secreto do Centro Nacional de Inteligencia (CNI) para combater o proceso soberanista aberto en Catalunya. Un informe de máis de 500 páxinas no que se propón investir 10 millóns de euros nun operativo no que se contempla desde pagar tertulianos e xornalistas até filtrar infomacións 'cociñadas' e prexudiciais para políticos independentistas | "O CNI fai moitas cousas en Catalunya. E o que máis preocupa agora aos servizos de intelixencia españois é Catalunya". Así se manifesta o subdirector do semanario Interviú, Luis Rendueles, un dos responsábeis da reportaxe que esta semana publica o CNI sobre un plan para frear a independencia catalán, nunha entrevista na radio RAC1. Segundo se recolle en Vilaweb, este plan, denominado Horizonte Después, estaría dotado con dez millóns de euros do Estado e poñeríase en marcha após as eleccións do 25-N. O informe, de 500 páxinas, gárdase "baixo chave nunha das cámaras acorazadas do CNI" e foi elaborado por un coronel da Garda Civil destinado en Barcelona. As informacións e 'pesquisas' remitíallas a un xeneral do instituto armado en, como non, Madrid. "Visca Barça, Visca....Espanya" "Que xogadores do Barça se pronuncien a favor da unidade de España". Esta era, segundo o xornalista Rendueles, unha das previsións coas que traballaban neste plan unionista elaborado polo CNI. Si, o CNI, non a TIA. Trataríase de "procurar xente importante e influínte en Catalunya que se pronuncien a prol de continuar en España". E nesa estratexia, nada máis impactante que xogadores cataláns do Barça a facer manifesta fé de españolidade. Nin ao Doutor Bacterio se lle tería ocurrido tal xenialidade, vamos. Unha das fases do plan contemplaba empregar información acumulada durante anos de persoalidades nacionalistas para filtrala, descontextualizada e maquillada, para enlamar o proceso soberanista Pagar xornalistas e tertulianos para apoiar o unionismo O plan tería tres fases, tal e como lembra Vilaweb. A primeira centraríase en financiar e potenciar a presenza de terlulianos e periodistas en medios de comunicacións cataláns para defender o unionismo, "a conveniencia de manter Catalunya dentro do Estado español". A segunda, complementaria da primeira, pasaría por inxectar enxurradas de cartos nos medios de comunicación españolistas que se publican en Catalunya. "Teñen unha difusión minoritaria. Mais...a Generalitat leva anos asulagando de subvencións e medios afíns. Trataríase, logo, de facer o mesmo". A terceira pata entraría xa de cheo nunha guerra suxa empregando a información que durante anos foi acumulando CNI e forzas de seguridade sobre dirixentes e políticos e personalidades nacionalistas cataláns. Trataríase de filtrar e empregar esa información, mesmo descontextualizada e maquillada, para prexudicar o proceso soberanista. Aliás, son informacións que, como os supostos negocios da familia Pujol, non poden ser contrastadas pois nunca foron xudicializadas. |
PRAZA_20625 | A Audiencia Nacional permite a saída da cadea do ex-presidente de Caixanova e Novacaixagalicia tras devolver o cobrado e tendo en conta a súa avanzada idade e o seu estado de saúde. Terá que colaborar coa asociación Érguete. | A Audiencia Nacional autorizou este luns a excarceración do ex-presidente de Caixanova e Novacaixagalicia (NCG) Julio Fernández Gayoso, sete meses despois da súa entrada na cadea, logo de cumprir coa cuarta parte da condena imposta de dous anos, tras ter devolto o cobrado e tendo en conta a súa avanzada idade (85 anos) e o seu delicado estado de saúde. O xuíz ten en conta que devolveu o cobrado, o seu estado de saúde e a súa avanzada idade Así o acordou o xuíz central de Institucións Penitenciarias, José Luis Castro, co criterio favorable da Fiscalía da Audiencia Nacional. Gayoso foi ingresado en prisión por orde da Audiencia Nacional xunto cos ex-directivos de Novacaixagalicia condenados polas prexubilacións millonarias que se concederan pouco antes da quebra da entidade: José Luis Pego, Gregorio Gorriarán, Óscar Rodríguez Estrada e Ricardo Pradas. Gayoso, que sairá da prisión da Lama nas vindeiras horas, non se asignara indemnización ningunha pero o tribunal considerouno responsable do acontecido. Malia que todos os directivos foran condenados a dous anos de prisión -unha pena que é suspendida en case todos os casos ao non superarse os 24 meses-, a Sección Terceira da Audiencia Nacional rexeitara esta posibilidade e considerara que a gravidade da súa actuación, no medio dun proceso que acabou coa desaparición das caixas e o rescate do que quedaba delas por máis de 9.000 millóns de cartos públicos, empurraba a que a condena se cumprise de maneira efectiva. Gayoso terá que colaborar coa asociación Érguete para, "en certa medida, resarcir á sociedade do dano causado" Agora, Gayoso poderá durmir a diario fóra da cadea e pasar as fins de semana na casa, pero terá que "colaborar de forma altruísta e sen contraprestación económica coa Fundación Asociación Érguete Integración para que axude a persoas en situación de exclusión social", tal e como indica o auto do maxistrado, que aclara que foi o propio banqueiro "quen se ofreceu voluntariamente" a facelo. "Así, poderá, en certa medida, resarcir á sociedade do dano causado coa súa acción delictiva [...] e devolverlle a confianza rota por ese dano causado". O xuíz tamén tivo en conta que os 10,4 millóns de responsabilidade civil á que foi condenado de forma solidaria xunto co resto de ex-directivos estea xa pagada. "Non puxo obstáculo ningún en cubrir a devandita responsabilidade, máis ben ao contrario, a súa conduta en todo momento e especialmente durante a executorio foi dirixida a facilitar que se fixera efectivo o pagamento", di Castro. Estimado parcialmente o recurso presentado por Gayoso, a Audiencia non resolveu aínda os que tamén presentaron os outros catro ex-directivos das antigas caixas, rexeitando a Fiscalía constantemente a súa posta en liberdade. Todos eles foran protagonistas da primeira pena de prisión a directivos bancarios nos numerosos escándalos financeiros no Estado. A súa entarada na cadea chegara catro meses despois de que o Supremo ratificase a condena da Audiencia Nacional pero a declarase "exigua" e "desproporcionada", pero non polo seu exceso senón por mínima. Aquel ditame tamén foi considerado para logo ordenar a detención dos ex-directivos. |
NOS_32694 | A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública critica a renovación do concerto da Xunta con Povisa e asegura que as negociacións non foron trasparentes. | A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denunciou que "toda a atención hospitalaria" de Vigo quedará en "mans privadas", despois de que o Sergas renovase o concerto singular co Hospital Povisa. Neste sentido, a través dun comunicado, a asociación criticou que a Consellería de Sanidade renovase por oito anos, "con ampliación a dous máis", o concerto con Povisa que supón "manter un centro privado con diñeiro público". Este acordo, segundo informou, supón "manter artificialmente" a unha empresa privada cunha "xenerosa subvención" que cifra en 75 millóns de euros anuais, cantidade "semellante" á que recibirán as empresas concesionarias do novo hospital de Vigo por financiar e xestionar o mesmo. Engadidos A esta axuda económica, a plataforma destacou que haberá que "engadir" o custo dos servizos de referencia de maxilofacial, queimados ou cirurxía porque "quedarán situados para sempre" no hospital privado no canto de no novo centro. Así, a asociación esixiu "coñecer a conta" destes servizos. Ademais, o colectivo criticou que a negociación mantida entre o Sergas e Povisa realizouse con "total falta de transparencia" e chea de "información engañosa". |
NOS_18579 | A portavoz do Bloque en Europa advirte da irresponsabilidade da Xunta se deixa sen gastar cartos europeos igual que fixo co Marco Financeiro Plurianual 2014-2020. | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, insta o Goberno galego a aumentar a súa eficacia no investimento dos fondos europeos do novo Marco Financeiro Plurianual 2021-2027 para dar resposta aos numerosos retos aos que debe enfrontarse Galiza. "Cos novos fondos non pode acontecer o que pasou co Marco Financeiro Plurianual anterior, que quedaron máis de 1.400 millóns de euros sen gastar, algo que o PP debería explicar", manifestou ao respecto. "Como é posíbel que o Goberno galego poida permitirse o luxo de deixar fondos europeos sen executar coas necesidades que ten q Galiza, con sectores produtivos moi tocados, como o mar-industria, a hostalaría ou os servizos, o desemprego da mocidade", preguntouse a nacionalista. "Sería unha tremenda irresponsabilidade por parte da Xunta que non investise até o último euro que vén de Bruxelas", subliñou, demandando unha maior transparencia do Goberno galego, non só a respecto dos fondos estruturais, senón tamén na suposta selección de proxectos que poden optar aos fondos europeos. Precisamente, a necesidade de mellora dos indicadores de seguimento do uso dos fondos europeos é unha recomendación feita en repetidas ocasións polo propio Consello de Contas, como no seu Informe de Fiscalización dos Fondos Europeos de 2018. A xuízo de Miranda, o Goberno galego "debería tomar a sero o cumprimento dos estándares europeos relacionados coa transparencia porque estamos nos peores índices, como algúns países da Europa do leste". Neste sentido, a portavoz do Bloque en Europa explicou que do período 2014-2020, a respeito dos fondos FEDER -que teñen como obxectivo a redución das diferenzas entre o rural galego e as zonas urbanas, así como axudar ao desenvolvemento das zonas afectadas pola transición industrial e as zonas cunha escasa densidade de poboación como é o caso do rural galego-, a finais de 2020 só estaban 78% comprometidos. Capacidade de xestión Dos fondos FEADER -que buscan fomentar a competitividade da agricultura, garantir a xestión sustentábeñ dos recursos naturais e a acción polo clima para lograr un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación do emprego-, a finais de 2020 só estaba 70% comprometido. A respecto do FSE -que contribúe á cohesión económica, social e territorial, principalmente a través da mellora da taxa de emprego, e á a integración sociolaboral dos colectivos máis desfavorecidos, o aumento da formación, a diminución do fracaso escolar e a mellora do sector investigador-, a finais do ano pasado só estaba 38% gastado. "Tendo en conta estes datos pomos en dúbida a fiabilidade e a capacidade de xestión do Goberno galego", manifestou Miranda, criticando o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, por "desaproveitar numerosas oportunidades para pór fin ao desequilibrio territorial das zonas rurais respecto das urbanas, visíbeis por exemplo nos problemas relacionados coa fenda dixital que existe en numerosas zonas do rural galego. Miranda considera que a Xunta está "moi calada" cos Fondos React –adicionais aos fondos de cohesión que se aprobaron para combater os efectos da pandemia- e teme que os vaian desaproveitar. "A Xunta fala de 108 proxectos que poden mobilizar 9.400 millóns de euros como candidatos aos fondos Next Generation, pero non sabemos en función de que criterios foron seleccionados, nin se quedaron proxectos fóra, nin quen os seleccionou", apuntou. |
PRAZA_16277 | Os contratos menores supuxeron no primeiro ano en que foron públicos, o 2016, o 47% dos máis de 1.845 millóns que sumaron todas as contratacións da Administración galega. A Xunta alega razóns técnicas para borralos mentres outras Administracións, como algúns concellos, os manteñen publicados | No ano 2015, en plena vaga de casos de presunta corrupción ligados ao PP en diferentes puntos do Estado e en vésperas dunhas eleccións municipais que se prevían especialmente complexas para os populares, o presidente da Xunta deu en anunciar un "plan de impulso democrático" contra as prácticas corruptas que incluíu a aprobación dunha nova lei de transparencia para substituír á do ano 2006, aprobada en tempos do Goberno de coalición de PSdeG e BNG. A nova normativa trouxo consigo novidades como a publicación dos salarios dos altos directivos da Administración e tamén a difusión en internet dos contratos menores, as contratacións de materiais ou servizos que, por teren un importe reducido, a Xunta pode adxudicar directamente, sen organizar un concurso nin pedir máis dunha oferta. No entanto, este avance na transparencia contractual traía consigo un engado, dura só unha semana por contrato, e unha consecuencia: é imposible recuperar o destino de máis de 800 millóns de euros públicos nun ano.Como informou Praza.gal, o Goberno galego dá acceso aos seus contratos menores a través do seu portal de transparencia, que redirixe á súa web de contratacións públicas. Esta plataforma permite realizar buscas detalladas e recuperar contratos da Administración galega ao longo dos anos cunha única excepción, eses contratos menores, que son borrados unha semana despois da súa publicación. Pérdese así o rastro dos contratos celebrados por un procedemento que, segundo datos fornecidos polo propio Goberno galego, é o que maior volume de fondos públicos sumou no primeiro ano en que esta información foi pública, o 2016.Os contratos menores supuxeron no primeiro ano en que foron públicos, o 2016, o 47% dos máis de 1.845 millóns que sumaron todas as contratacións da Administración galegaFoi nese ano 2016 cando os preceptos da nova lei de transparencia galega tiveron que combinarse cos do texto estatal, que obriga as Administracións a publicar anualmente datos estatísticos sobre o volume orzamentario que absorbe cada tipo de contratos. Nese primeiro exercicio a Xunta asinou 123.903 contratos menores aos que destinou 868,96 millóns de euros. Ou, o que é o mesmo, resulta imposible repasar que empresas subministraron materiais e servizos á Administración en operacións que supuxeron o 47% dos 1.845,9 millóns de euros que sumaron todos os contratos da Xunta nese exercicio económico.Os contratos superaron en importe os procedementos abertos -os concursos públicos máis ordinarios, aos que pode concorrer calquera empresa-, que nese ano roldaron os 808 millóns e estiveron moi por diante dos contratos pola vía do procedemento negociado -aos que se convida a unhas empresas determinadas-, con algo menos de 150 millóns. O resto de procedementos sumaron importes moito menores.A Xunta alega razóns técnicas para borrar os contratos menores unha semana despois de difundilos, pero outras Administracións, como algúns concellos, mantéñenos publicadosA explicación que ofrece a Xunta para non manter accesibles ao público os seus contratos menores é técnica. Como informou este diario, dende o Goberno galego arguméntase que o número de contratos menores é moi elevado e, daquela, xera un volume de información moi amplo que non é posible manter no sitio web de contratos da Xunta, onde os datos básicos de cada contrato son amosados durante unha semana para despois ser borrados. O Executivo transita así pola ambigua liña da propia lei de transparencia, que indica que a información dos contratos menores debe ser publicada "polo menos trimestralmente, no portal web de transparencia".Así e todo, outras Administracións públicas sobre as que pesa a mesma obriga de informar a cidadanía sobre os seus contratos menores optan por outras fórmulas de presentación da información dos contratos menores que lles permiten mantela accesible ao longo do tempo. É o caso dalgúns concellos, que con periodicidade dispar publican nos seus sitios web listados de contratos menores coa información básica de cada procedemento e, unha vez publicados, quedan dispoñibles para a súa consulta xeral. Así o fan, por exemplo, o Concello de Santiago -con información dende 2014-, o Concello de Lugo -con contratos menores publicados dende 2012- ou o Concello de Pontevedra -con información dende 2015-.Información dispar para todo tipo de produtos e servizosUnha ollada aos contratos menores da Administración galega antes de seren borrados permite comprobar a multitude de áreas nas que actúa a Xunta na súa actividade cotiá. Pero tamén son mostra da recorrente presenza dalgunhas empresas nestas contratacións, da elección de compañías de áreas xeográficas dalgúns altos cargos para subministrar produtos aos departamentos que dirixen ou do deficiente nivel da información que é publicada durante esa semana en que os contratos son accesibles.Algúns dos contratos inclúen unha referencia concreta do gasto, pero outros inclúen conceptos difusos ou números que fan imposible saber por que produto ou servizo pagou a AdministraciónEntre estes contratos menores abondan os subministros habituais a todo tipo de centros administrativos -material sanitario ou consumibles para fotocopiadoras, por exemplo-, reposicións de mobiliario de toda caste de importes ou pagamentos por reparacións, aínda que tamén outros contratos máis rechamantes. Algúns exemplos dos segundos nestes últimos meses poden ser os 2.000 euros destinados pola Axencia Turismo de Galicia a sufragar a viaxe dunha banda de gaitas á canonización no Vaticano de Faustino Míguez, un sacerdote orixinario de Ourense, os 7.000 euros que pagou o Instituto Galego de Promoción Económica á publicación Galicia en el mundo para a "cobertura informativa" da visita dunha "delegación da Xunta a México" ou os 5.900 euros que pagou a Consellería de Política Social por unha conferencia de Josef Ajram, mediático broker de bolsa.Na banda oposta a estes contratos están outros dos que, durante a súa fugaz aparición na plataforma pública, é imposible coñecer en que consisten exactamente. Non en van, entre os centos de contratos menores que a Xunta publica cada semana para despois borralos abondan os que teñen como referencia conceptos difusos como "outro material", "outros" ou "produtos alimenticios", os que indican como obxecto do contratos un simple número sen máis indicación ou os que sinalan como obxecto da contratratación o nome do centro da Administración ao que vai destinado o produto ou servizo.Portal de transparencia da Xunta |
NOS_35072 | A Policía Local de Cambados propón para sanción o líder opositor venezolano Leopoldo López por sortear o fechamento perimetral. | A Policía Local de Cambados propuxo para sanción o líder opositor venezolano Leopoldo López, que se atopaba esta terza feira, 30 de marzo, nunha terraza do municipio, por saltarse o fechamneto perimetral. Diso informa o concelleiro de Seguridade Cidadá de Cambados, Tino Cordal, quen explica que a Policía Local realizaba un control rutineiro sobre as 15.30 horas desta terza, no cal se identificou Leopoldo López nunha terraza da céntrica praza de San Gregorio, na que estaba coa súa muller, Lilian Tintori, outra parella e menores. Nun contexto de fechamento perimetral entre comunidades no Estado español como medida contra a pandemia, ambas as parellas achegaron un documento xustificativo para poder desprazarse. A Policía Local incoa este expediente sancionador que se remite á Xunta da Galiza, que decidirá agora sobre se se multa ou non a Leopoldo López e o resto de persoas que se atopaban con el. O Concello de Cambados adheriuse a un convenio polo que o Goberno galego se encarga da tramitación das propostas de sanción por multas anticovid. No informe que lle remite a Policía Local anéxanse os xustificantes presentados por Leopoldo López e o resto de persoas. Tino Cordal explica que a Policía Local realiza unhas 250 inspeccións semanais de medidas anticovid, aínda que nestes días se intensifican pola Semana Santa. |
PRAZA_12318 | Nunha carreira na que nunca escolleu o camiño doado, Bruce Springsteen opta por lanzar preguntas difíciles, por examinar a dura realidade social duns Estados Unidos onde o devalo da marea económica eclipsou a euforia da vitoria de Obama. Outra volta, o Xefe demostra estar en perfecta sintonía co Zeitgeist do país máis poderoso, e se cadra máis complexo, do mundo | Nunha carreira na que nunca escolleu o camiño doado, Bruce Springsteen opta por lanzar preguntas difíciles, por examinar a dura realidade social duns Estados Unidos onde o devalo da marea económica eclipsou a euforia da vitoria de Obama. Outra volta, o Xefe demostra estar en perfecta sintonía co Zeitgeist do país máis poderoso, e se cadra máis complexo, do mundo. Porén, non son poucos os críticos que afirman que o atractivo deste novo álbum, Bóla de demolición, é pasaxeiro, e dubidan da súa capacidade para engaiolar os oíntes a longo prazo. Dunha banda, as lembranzas melódicas de obras pasadas que se evocan na paisaxe sonora da obra confirman que Springsteen sabe conectar sonoramente cos seus afeccionados de sempre. Doutra banda, Springsteen sempre soubo traballar con produtores distintos para garantirlles un novo toque de son aos seus discos e ao mesmo tempo chegar a novos públicos. Neste caso, a presenza de Ron Aniello, e o emprego de ritmos de folk irlandés e rap achéganlle á obra a súa identidade particular. Non obstante, o sobranceiro desta última obra de Springsteen son as letras. A primeira canción do disco, We Take Care of Our Own, mestura unha melodía aparentemente positiva cunha letra enchoupada de ambigüidade amargada, e que desemboca nunha xenreira acusadora que non tiña semellanza dende Born in the USA. É fácil para un multimillonario cantar as desgrazas das persoas correntes que perden o traballo, a esperanza e os folgos diante de circunstancias que non poden prever nin cambiar? Dende logo, semella que si. Springsteen ten unha capacidade bárdica para transformar a sinceridade nun consello vital, capaz de sobrevivir o fracaso do soño que non se realiza Pero Springsteen ten unha capacidade bárdica para transformar a sinceridade nun consello vital, capaz de sobrevivir o fracaso do soño que non se realiza. Plásmase na canción que lle dá nome ao álbum, onde nos deixa claro cales son as escollas posibeis nestes tempos de crise. Ou desafiamos a realidade, perdémoslle o medo ao medo, e aturamos a tormenta ata que pase, ou perdemos a nosa dignidade anaco tras anaco ao preocupármonos por causas e feitos que non podemos pretender sequera dominar. Springsteen canta para facerlle un corte de mangas a esa bóla de demolición que nos fode a serenidade, e para confiar na única fe que non nos vai decepcionar: a fe en nós mesmos. |
NOS_18944 | Nas últimas datas Compostela foi testemuña de diferentes agresións e actos de violencia proferidos contra persoas migrantes. Esta "escalada de violencia" que semella estarse a producir, non só na capital, senón en toda Galiza, preocupa pola "normalización dos discursos racistas" que se dá nas institucións. | Segundo a última Enquisa sobre Delitos de Odio que vén de facer pública o Ministerio de Interior, con datos de xuño de 2021, tres de cada dez delitos de odio teñen unha motivación racista ou xenófoba. Aliás, 60% das persoas enquisadas percibiron un incremento significativo deste tipo de condutas nos últimos cinco anos, ao tempo que a práctica totalidade reclamaron máis medidas para facerlles fronte. O pasado 22 de xuño o Foro Galego de Inmigración alertaba, a través de diferentes testemuñas que o denunciaran nas redes sociais, dunha presunta agresión racial por parte dun grupo de axentes da Policía Nacional a un mozo de 15 anos. Os feitos decorreron contra as 20.30 horas en Porta Faxeira (Compostela), segundo a versión do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e con base nos atestados policiais, cando un vehículo do corpo de seguridade pasaba pola zona e "alguén lle tirou algo, supostamente un bote". Os axentes tentaron identificar o autor e, ante as protestas deste mozo, relatan as persoas presentes, detivérono con violencia: "Agarrárono con forza no chan, coa cara contra o asfalto, o colo apertado e tirándolle do suadoiro mentres o rapaz berraba desesperadamente". Apenas dous días despois, na quinta feira día 24, o rexedor confirmou que unha veciña orixinaria do Perú fora vítima dunha agresión xenófoba na noite de San Xoán perpetrada, presuntamente, por un pai e os seus dous fillos, que proferiron diferentes insultos contra ela, segundo consta na denuncia. Aliás, tamén na capital, unha mostra artística de apoio ás persoas refuxiadas foi vandalizada recentemente. Ante esta sucesión de agresións racistas cómpre preguntarse: por que se está a acrecentar a violencia racial? "O elemento fundamental nestes actos racistas é a propia actuación dos grupos de extrema dereita, nomeadamente Vox, e en parte tamén apoiado polo PP, que fan discursos abertamente racistas desde as institucións", lamenta, en declaracións a Nós Diario, o portavoz do Foro, Miguel Fernández. Como consecuencia, sinala, "algunhas persoas ven que esas ideas que antes semellaba que non se podían ter agora están lexitimadas, e incluso pensan que poden empezar a actuar de forma violenta". Para Fernández, "eses discursos racistas van calando" e as actitudes violentas maniféstanse "tamén noutros eidos", como a homofobia. "Son mensaxes simples propias do fascismo, que non levan á reflexión e pola contra incitan a que determinadas persoas falen de que sufrimos unha 'invasión'", conclúe. Malia que os últimos altercados se teñen producido na capital galega, advirte que se trata dunha tendencia xeral no país: "Ese caldo de cultivo que xa se estaba dando noutros territorios coma Madrid ou Murcia, onde son máis habituais as agresións xenófobas, agora empezan a chegar á Galiza, e seguirán a estenderse mentres non haxa condenas claras". Desde o Foro teñen constancia de "entre 10 e 20" actos de violencia racista no que vai de ano, mais Fernández matiza que "se producen moitos máis dos que saen á luz, porque moita xente non denuncia ou algunhas agresións non son presenciadas por ninguén". No que atinxe a Compostela, expón: "Supomos que hai un grupo de persoas que empeza a actuar, mais non o sabemos con certeza". "O Estado tamén ten parte de culpa" "Desde as institucións e algúns sectores sociais resulta doado solidarizarse coa muller agredida ou a exposición vandalizada, mais os políticos tamén son responsábeis de cuestións como a Lei de Estranxeiría, o que está a acontecer na fronteira do sur do Estado —Ceuta e Melilla— ou as políticas migratorias da Unión Europea (UE)", censura. Neste senso, salienta que o Estado español, "coa excepción dos países máis próximos ao fascismo", é "un dos que menos solicitudes de asilo concede na UE" malia recibir numerosas peticións nos últimos anos. Violencia cotiá Alén dos máis evidentes actos de "violencia bruta", o portavoz do Foro pon o foco na "violencia cotiá" que moitas persoas padecen: "É habitual que teñan maiores dificultades para atopar unha vivenda polo seu aspecto, ou cando acceden a un determinado posto de traballo algunha xente deduce que deben cobrar menos que alguén 'de aquí'". "A violencia policial está institucionalizada" Miguel Fernández lamenta que a presunta violencia policial contra un menor en Compostela, "que quizais con outro rapaz non se tería producido", non é un caso illado: "Sabemos que existen as redadas racistas, cando a Policía pide a identificación pola rúa ou na estación de autobuses a un determinado perfil de persoas, e é algo institucional desde hai tempo". Neste caso concreto, apunta que, "por moito que o rapaz tivese cometido algún tipo de delito ou trasgada", a actitude dos axentes foi "totalmente desmesurada", xa que as testemuñas "quedaron abraiadas". |
NOS_53003 | A carón do cadáver do home había unha nota inculpatoria, segundo fontes da investigación recollidas por diversos medios. O corpo da muller estaba nun armario. | Unha muller duns 30 anos de idade foi asasinada pola súa parella, que despois se suicidou, segundo relata La Voz de Galicia. Os corpos de ambos os dous foron atopados esta segunda feira nun piso da céntrica rúa viguesa de Fragoso. Segundo narra o medio de Sabón, a carón do corpo do varón habería unha nota inculpatoria na que este confesaba que lle dera unha malleira á muller, cuxo cadáver foi atopado nun armario. Até o lugar do asasinato machista desprazáronse varias unidades de emerxencias e dotacións da Policía Nacional española. |
NOS_5461 | Aumenta a presión hospitalaria con catro pacientes más en UCI que na xornada anterior, aínda que os casos activos continúan a descender nunha xornada en que o número de PCR segue moi por baixo das realizadas con anterioridade | A presión hospitalaria que deixa a pandemia do coronavirus na Galiza volve subir lixeiramente até situarse en 213 persoas ingresadas, tres máis que hai un día. Isto prodúcese polo incremento de pacientes Covid-19 en unidades de coidados intensivos (UCI), que ascenderon até 34 -catro máis-, aínda que baixaron lixeiramente os que se atopan en planta, até 179 -un menos-. Esta situación dos centros sanitarios contrasta con outros parámetros como os casos activos da enfermidade, que continúan á baixa e sitúanse en 2.167, de acordo cos datos que ofrece este domingo, 4 de abril, a Consellaría de Sanidade, actualizados ás 18 horas do sábado. Son, por tanto, 56 menos que 24 horas atrás grazas a que as altas superaron os novos diagnósticos. Detéctanse menos contaxios e fanse menos PCR Na última xornada os contaxios detectados desde o inicio da pandemia situáronse en 117.516, ao sumárense 92 nas últimas 24 horas -90 confirmados cunha PCR-. Isto supón un descenso de 16 con respecto aos 108 positivos do día anterior. Con todo, o número de PCR realizadas nas últimas 24 horas (3.300) continúa por baixo das feitas na quinta feira (ao redor das 5.000). Onte tamén estaban aínda máis lonxe desa cifra, apenas superando as 2.000. Das novas infeccións rexistradas, sitúanse á cabeza a área da Coruña, con 25 -dúas máis que as notificadas o día anterior-; seguida de Santiago con 22 -un máis- e a de Vigo con 14 -baixan en 13-, as mesmas que en Pontevedra -10 menos-. Na de Ourense, rexistráronse 10 novos positivos nun día -tres máis-, na de Lugo seis -tres máis- e na de Ferrol, só un -dous menos que o día anterior-. Así, as e os contaxiados por este coronavirus na Galiza ascenden a 117.516 en total, dos que 28.537 corresponden á área da Coruña-Cee; 22.338 á de Vigo; 18.566 á de Santiago-Barbanza; 14.891 á de Ourense-Verín-O Barco; 12.839 á de Pontevedra-O Salnés; 12.079 á de Lugo-A Mariña-Monforte; e 8.266 á de Ferrol. Baixa a taxe de positividade No relativo á taxa de positividade das PCR, descendeu até 2,3% e aínda continua por baixo de 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala para dar por controlada a pandemia. Mortes e altas Desde o inicio da pandemia pola Covid-19 faleceron na Galiza 2.347 persoas diagnosticadas con este coronavirus, despois de que ao longo do sábado Sanidade notificase tres novas vítimas. En canto aos curados, subiron até 113.023 persoas, o que implica que nas últimas 24 horas deuse a alta a 145 pacientes. Presión hospitalaria por áreas sanitarias No que respecta á presión hospitalaria, tres áreas sanitarias experimentaron unha lixeiro suba. Na Coruña-Cee subiron os pacientes ingresados en planta, até 67 -un máis-, e os de UCI, até os 15 -dous máis-; o mesmo que ocorre en Lugo-A Mariña-Monforte, con 10 enfermos en unidades convencionais -dous máis- e tres en críticos -un máis-. En Ourense-Verín-O Barco tamén subiron os hospitalizados en planta, até 21 -dous máis-, aínda que as UCI se manteñen con só un paciente de Covid-19. En canto ao resto de áreas sanitarias, as cifras continúan estábeis: na de Santiago-Barbanza, con 17 enfermos en unidades convencionais e tres en coidados intensivos, mentres que baixan nas outras tres. Na de Vigo, a pesar da suba nas UCI a oito pacientes (+1), en planta descenderon a 42 (-2); en Pontevedra-O Salnés, diminuíron a 16 (-3) os hospitalizados en unidades convencionais, aínda que en coidados intensivos continúa unha persoa; e na de Ferrol, baixaron os que están en planta a seis (-1) e as UCI seguen con tres pacientes. |
NOS_47841 | A Iniciativa Defende Meirás convoca colectivos de memoria e a sociedade civil galega a unha gran "mobilización festiva" nos xardíns do Pazo | A Iniciativa Defende Meirás convoca para o 19 de xuño as entidades de memoria da Galiza e a sociedade galega en xeral a celebrar, nos xardíns do Pazo de Meirás, un "encontro de afirmación como lugar de memoria colectiva do pobo galego". Os preparativos para lograr unha ampla mobilización están sendo o obxecto de varias xuntanzas esta semana. Esta quinta feira, Carlos Babío, portavoz de Defende Meirás, Manuel Pazos, directivo da CRMH da Coruña, e Manuel Pérez Lorenzo, en representación da Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), reuníronse en Sada co alcalde, Benito Portela, e coas concelleiras Paola Mondaca e Laura Pena para acordar os detalles dun evento que o Concello de Sada apoia e no que asumirá as necesidades loxísticas da organización. "O noso desexo é que Meirás empece unha nova vida a partir do 19 de xuño. Diante da irresponsabilidade da Xunta, que intenta pasarlle a pelota ao Estado á hora de protexer todos os bens móbeis do Pazo, a sociedade civil galega volverá responder como xa o fixo cando se tratou de recuperar a propiedade", apuntou Carlos Babío. En medio do que considera un "divorcio administrativo e xurídico" que só beneficia os Franco, o portavoz de Defende Meirás espera que o evento sirva para dar unha resposta contundente "á rapina e á impunidade que representan os Franco". Pola súa banda, Benito Portela reafirmou o apoio "decido e continuado" do Concello de Sada á causa de Meirás, e reclamou "o desbloqueo institucional entre a Xunta e o Estado" para que a protección a todos os bens do Pazo se amplíe de inmediato. O alcalde de Sada tamén mostrou a súa predisposición a acordar un convenio entre a Administración estatal, a galega e o propio Concello "para a xestión compartida do Pazo". Na medida que o permitan as normas O acto comezará ás 12 do mediodía do sábado 19 de xuño. A Iniciativa Defende Meirás enviou esta semana unha proposta detallada á Secretaria de Estado de Memoria Democrática para que o Estado abra Meirás a un evento de carácter reivindicativo e festivo. "Atopamos boa disposición", avanzou Carlos Babío, "xa que a esta altura, e mesmo polas condicións nas que estamos, non tería sentido ningún facer a concentración fóra". A marcha cívica consistirá nun paseo polos xardíns de Meirás, rodeando as Torres, até chegar á fachada. Tamén se negocia unha actuación musical. Será un acto breve e concorrido na medida que permitan as normas sanitarias. A IGM, promotora de Defende Meirás, reclamou onte o apoio das asociacións que a compoñen facendo un chamamento a "abarrotar" Meirás o día 19, "para celebrar que por vez primeira o movemento memorialístico cruza os muros que separaron a democracia do franquismo durante máis de catro décadas". |
NOS_13647 | Tres lumes que están a constituír o maior incendio no que levamos de verán en Galiza. Os dous primeiros tiveron a orixe nos montes de Cualedro, arredor das 12.50 horas do sábado. | Os lumes chegaron a formar un frente de 9 quilómetros de lapas e estendéronse até os montes de Vilar de Perdices (Portugal). Os dous primeiros tiveron a orixe nos montes de Cualedro, arredor das 12.50 horas do sábado. O forte vento levounos a perto das portas das vivendas nos lugares de Carzoá, San Martiño e San Millán (Cualedro) e Sandín, Flariz e Medeiros (Monterrei). O terceiro lume prendeuse por volta das 17 horas en A Pedrosa (Monterrei) e axiña se propagou até A Xironda, San Millán, A Madenela. Foi este o que se internou en Portugal. Foron os veciños os que se enfrentaron cos lumes, con mangueiras e cubos. En moitos puntos o acceso por estrada estivo cortado pola acción do lume e do fume. En algúns casos -100 ovellas nunha explotación- algúns animais tiveron que ser desaloxados. Nos traballaos de extinción participaron helicópteros con base en Toén, Queimadelos y Laza, entre outros, alén dos bombeiros de Verín e mesmo 100 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias.A Xunta estima a superficie queimada en máis de 1.500 hectáreas. |
PRAZA_20937 | O Consello da Cultura analiza nunha exposición a figura política e cultural do monarca aproveitando a conmemoración dos 800 anos do seu nacemento. A mostra, situada na Igrexa da Universidade, percorre a súa influencia na época a partir de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais. | O Consello da Cultura analiza nunha exposición a figura política e cultural do monarca aproveitando a conmemoración dos 800 anos do seu nacemento"Presentar a figura real de Afonso X" -no ano que se conmemoran o 800 aniversario do seu nacemento-, cos seus "avatares políticos, o seu labor cultural e a súa relación con Galicia", é o obxectivo da exposición Afonso X e Galicia: 1221-2021, que a Igrexa da Universidade, en Compostela, acolle ata o 24 de abril. A partir, entre outros elementos, das Cantigas de Santa María "como manifestación visual e sonora da Idade Media galega e europea e como testemuño do patrimonio lingüístico da lingua galega e da súa importancia no mundo románico medieval", a mostra percorre a vida do monarca, a súa obra cultural e a súa época a partir de documentos e de testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais. [Aquí podes escoitar varias pezas].Afonso X foi o impulsor, a través das Cantigas de Santa María, "dun dos principais monumentos da cultura europea do seu tempo"Afonso X foi o impulsor, a través das Cantigas de Santa María, "dun dos principais monumentos da cultura europea do seu tempo", tal como salienta o profesor Henrique Monteagudo nun dos vídeos que poden verse na exposición. A escolla, para esta obra, do do galego, tivo que ver, segundo este catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da USC, coa promoción do romance fronte ao latín, usado pola Igrexa, no contexto do proxecto de Afonso X de reforzar o poder monárquico. A literatura galega -subliña, neste mesmo sentido, noutro dos vídeos da exposición a profesora Elvira Fidalgo- debe enorgullecerse de ter as Cantigas, un conxunto de 420 relatos sobre os milagres da Virxe na sociedade da época.O Rei SabioAsí, Afonso X foi autor, en lingua galega, das 420 composicións das Cantigas máis de 38 poemas -26 del, tres en coautoría e nove atribuídos a Afonso de León- encadrados no xénero das cantigas de escarnio e maldizer. "O monarca" -explica un dos paneis da exposición- "elabora unha proxección política do elemento devocional mariano, no que intenta, mediante a súa representación nas miniaturas do manuscrito, enxalzar a súa persoa converténdose no intermediario entre Deus, a Virxe e o pobo. Unha estratexia para minimizar o estamento relixioso do seu tempo. A manipulación e o cambio de atribución dos milagres de Santiago Apóstolo á Virxe supoñen outra manobra política contra o cabido compostelán e contra a peregrinaxe a Santiago de Compostela". Na mostra pode verse unha reprodución do Códice de Toledo, un dos manuscritos nos que se conservan as Cantigas.Tamén están expostas na Igrexa da Universidade diversas reconstrucións de instrumentos musicais medievais: organistro, zanfona, viola de brazo, rota, arpa, cítola, frauta e tamborTamén están expostas na Igrexa da Universidade diversas reconstrucións de instrumentos musicais medievais: organistro, zanfona, viola de brazo, rota, arpa, cítola, frauta e tambor. Nun dos vídeos da mostra, Carlos Núñez subliña a relación entre os instrumentos que poden verse nas esculturas do Pórtico da Gloria e os presentes nas Cantigas. "Estou convencido" -di- "que o mellor xeito para dar nova vida ás músicas das Cantigas de Santa María sería conectalas coas músicas urbanas. As músicas das Cantigas están plagadas de modos e de ritmos que hoxe existen en músicas coma o rock, o trap e incluso as músicas celtas".A lírica das culturas medievais -pode lerse na mostra- "e, e concreto, o repertorio mariano alfonsino viven nun mundo oral. Se a isto lle engadimos a vontade relixiosa e exemplar de Afonso X, non nos debe estrañar a utilización voluntaria de elementos da liturxia cristiá medieval para caracterizar os textos con ecos melódicos litúrxicos, connotativos para o público cristián medieval. A composición musical das Cantigas ten como trazo particular a existencia dunha vontade intertextual e intermelódica".A orixinalidade das Cantigas reside así, segundo explica un dos paneis da mostra, "tanto na multiplicidade de temas que abordan como na confluencia de culturas e tradicións, da que son un bo exemplo os músicos cristiáns, árabes e xudeus a tocaren conxuntamente, tal como mostra o segundo códice escurialense. É ademais un reflexo literario e gráfico da sociedade medieval, dos seus protagonistas, dos seus avatares, doenzas e oficios e dos diferentes estamentos sociais, desde a realeza ata o pobo máis humilde. Os protagonistas deste corpus literario son o culto mariano, o monarca, a sociedade medieval e a lingua galega".O monarca adoptou o galego "como instrumento de comunicación internacional, literaria, cultural e política, tal como fixeran anteriormente os trobadores occitanos, cataláns e italianos". Na súa obra lírica, o Rei Sabio utilizou esta lingua como idioma de prestixio europeo, "co obxectivo —sobre todo na súa obra mariana— de lograr apoios internacionais e do papado para o seu proxecto político de ser elixido emperador do Sacro Imperio: o fecho del Imperio".A promoción do castelánMais dentro do ámbito xurídico, "redactou as súas obras en lingua castelá e levou ese idioma á chancelaría", polo que apostou polo castelán como idioma da Administración. Do campo xurídico, Eduardo Cebreiros subliña nun dos vídeos da exposición o Fuero Real, o Espéculo e as Sete Partidas. O obxectivo do monarca -indica- era reforzar o poder rexio, reivindicar o monopolio da fundamentación do Dereito para o rei, acabar cos particularismos e renovar o Dereito. O interese de Afonso X pola aplicación do dereito romano na súa obra lexislativa ten, deste xeito, como obxectivo -segundo pode lerse na exposición- "a concentración do poder na monarquía en detrimento da nobreza, dos concellos, dos gremios e dos burgueses".A promoción da lingua castelá neste ámbito inscríbese no seu proxecto político, nun ambiente plurilingüístico no que esta lingua convivía co galego, o occitano, o latín, o árabe, o grego, o italiano, o catalán e o francés. O monarca impulsou proxectos de tradución de diferentes linguas. Colaborou, así, coa Escola de Tradutores de Toledo, dedicándose a reunir todo tipo de textos científicos, tanto en hebreo como en árabe como da tradición clásica. "Se nunha primeira época os textos orixinais se traducían ao latín, nos tempos do monarca afonsino traducíronse ao castelán", pode lerse na exposición."Se nunha primeira época os textos orixinais se traducían ao latín, nos tempos do monarca afonsino traducíronse ao castelán", pode lerse na exposiciónO monarca mandou redactar tamén unha historia universal, a General Estoria, e a Estoria de Espanna. Tamén neste caso, o importante da súa produción é "o discurso dirixido a defender e enaltecer os intereses do monarca, tanto nas obras que se redactan por orde do rei como nas que son da súa responsabilidade, concepción e execución, e que decontinuo son revisadas nun afán de perfección". A profesora Helena de Carlos subliña ao respecto noutro dos vídeos da exposición que "Afonso crea unha historia onde os personaxes viven, os personaxes falan e escriben, as mulleres escriben tamén". A perspectiva histórica afonsina "parte dunha concepción relixiosa cristiá canto á tradición visigótica da monarquía castelá, valorando a tradición romana e obviando a árabe", segundo a mostra do Consello da Cultura Galega. Ao respecto, os profesores Xosé Miguel Andrade Cernadas e Anselmo López Carreira escriben no ensaio O Reino Medieval de Galicia (Xerais), recentemente publicado, que "a obra do arcebispo toledano Rodrigo Ximénez de Rada" -a quen cita Helena de Carlos- "e as varias historias elaboradas nos medios adxuntos á corte de Afonso X, caso da Grande e General Estoria e a Crónica General, están todas elas animadas pola confluencia dos respectivos intereses por consolidar a primacía da Igrexa toledana e o reforzamento da monarquía presidida pola Casa de Castela, triunfante coa unión dos reinos de Galiza-León e de Castela-Toledo, que ten lugar co ascenso de Fernando III ao trono, elevando o conxunto, en palabras de Emilio Mitre, á categoría de "bloque político hexenómico" na Península".O contexto políticoAfonso X era fillo de Fernando III (1217-1252) e Beatriz de Suabia (1205-1235). Da súa nai herdara o dereito a reivindicar a coroa imperial, que non conseguiu. Accedeu ao poder no 1252, tras a morte do seu pai, nun contexto de "profunda crise política e económica, o que o impele a adoptar medidas que a nobreza considera abusivas porque van en detrimento do seu poder e da súa riqueza", segundo pode lerse na exposición.Crónicas posteriores ao seu reinado salientan a súa prepotencia, o seu autoritarismo e unha ambición persoal que poñía por enriba do seu territorio e dos seus habitantesCrónicas posteriores ao seu reinado salientan a súa prepotencia, o seu autoritarismo e unha ambición persoal que poñía por enriba do seu territorio e dos seus habitantes. "Non obstante, unha serie de acontecementos foron os detonantes da rebelión: a morte do infante don Enrique, irmán de Afonso, por orde deste, así como a doutros nobres, o que provocou a fuxida dalgúns membros da nobreza do Reino de Castela; o quebrantamento do réxime xurídico dos nobres, o contencioso co cabido compostelán e as medidas fiscais (a moeda foreira), as peticións económicas extraordinarias e o aumento da presión fiscal", explica a mostra. O motivo principal da súa inimizade co cabido compostelán foron "cuestións económicas e o privilexio do emperador Carlomagno que o cabido esgrimía sobre a exención da cidade de pagar impostos ao rei".O Rei Sabio esgrime a liñaxe dos Staufen por liña materna para reclamar ser proclamado emperador, apoiado pola República de Pisa. Mais o papa Inocencio IV "estaba a mal cos Staufen polo poder que exercían en Sicilia e por intereses contrapostos cos do papado", polo que o seu proxecto vai fracasar. Xa antes de ser proclamado rei, participara como infante nalgunhas das campañas militares do seu pai. Tras a morte deste continuou a súa loita contra os musulmáns, ocupando Xerez e Cádiz e combatendo a revolta dos mudéxares no val do Guadalquivir. A actitude do monarca con musulmáns e xudeus sería, malia todo, segundo se pode ler na mostra, tolerante nun primeiro momento, mais logo iríase "endurecendo", xa fose "por razóns de ideoloxía relixiosa ou polo enfrontamento cos benimeríns, ou cos musulmáns do Levante e de Andalucía".As transformacións no reinoDurante o seu reinado favoreceu o comercio "concedendo feiras a cidades e vilas", instaurou un sistema aduaneiro e fiscal "para incrementar a recadación de impostos e fomentou a repoboación das terras das que expulsara os musulmáns, xerando problemas de despoboación nas zonas de orixe dos novos colonos. "As continuas demandas de diñeiro á nobreza para sustentar a súa candidatura a emperador, as súas campañas bélicas e o seu labor cultural decimaron a economía do reino e particularmente a da nobreza", o cal motivará a rebelión desta. O seu reinado rematou nunhas circunstancias que mostran o relativo fracaso dos seus proxectos políticos: o seu fillo Sancho rebelouse, co apoio da nobreza, contra el, que acabou sendo deposto polas Cortes.O seu reinado rematou nunhas circunstancias que mostran o relativo fracaso dos seus proxectos políticos: o seu fillo Sancho rebelouse, co apoio da nobreza, contra el, que acabou sendo deposto polas Cortes O investigador Francisco Prado interpreta nun dos vídeos da exposición que "o que lle interesaba a Afonso, que se vía na tesitura dun reino expandido, con varios reinos, que tiña unhas minorías étnicas e relixiosas moi importantes, era tentar facer un proceso de construción nacional. Practicamente el crea esta idea de España multicultural, que despois non puido levar a cabo".Andrade Cernadas e López Carreira axudan a comprender en O Reino medieval de Galicia o papel de Galicia no contexto do reino de Afonso X, cuxo proxecto político era máis ben castelanista. Á morte de Afonso VII, o reino de León correspondéralle a Fernando III, pai de Afonso X. Deste xeito León e Castela quedaran unidos definitivamente. Polo que a Coroa de Castela quedara constituída polo reino de León-Galicia e por Castela, á que se foron incorporando territorios ata entón baixo dominio dos musulmáns como froito da expansión militar: Córdoba, Sevilla, Murcia…Sendo aínda infante, Afonso X participou con seu pai na conquista de Murcia e Sevilla. E é nestes momentos cando, segundo Cernadas e Carreira, "o reino de Galicia, que viña dunha etapa de singular protagonismo durante a súa pertenza á monarquía leonesa, pasa a quedar integrada nunha realidade política moito máis extensa territorialmente e, xa que logo, diluída e xogando un papel moito menos determinante do que viña sendo usual ata entón".Na exposición -excesivamemente textual- pode verse tamén un vídeo de fotografías de obxectos das catro provincias galegas relacionados co legado de Afonso X: códices, esculturas, moedas, xoias… Trátase de pezas seleccionadas polo comisario da exposición, Antoni Rosell. A través do web do Consello da Cultura pódese acceder a este vídeo e aos que recollen as entrevistas cos expertos e expertas citados, ademais de ler información sobre o proxecto expositivo ou escoitar as Cantigas. O Consello da Cultura organizará, por outra banda, xunto coa Asociación Galega do Videoxogo, unha gamejam de temática alfonsina. Os contidos da exposición pódense ampliar a través de códigos QR dispoñibles no percorrido pola mesma a través dos seis espazos e a sala central, deseñados por Antoni Rosell e polo arquitecto Roger Badia, nas que se atopan os paneis expositivos, proxeccións, audios e obxectos que a conforman. |
NOS_48322 | O ex xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, será o pregoeiro das festas de Betanzos. Unha elección non exenta de polémica, pois "foi o maxistrado que fixo gala de empregar o topónimo da Coruña deturpado", lembra o BNG. | "Semella unha provocación por parte do PSOE". Así responde o BNG de Betanzos á elección, por parte do Goberno local, de Antonio Fraga Mandián como pregoeiro das festas de San Roque. Un feito que motivou que a forza nacionalista anunciase que non acudirá á lectura do pregón. "Non asistiremos á lectura do pregón porque nos parece lamentábel que o goberno local do PSOE escollera unha persoa que fixo gala, desde o seu posto na xudicatura, de incumprir a Lei de Normalización Lingüística para manter o uso do topónimo deturpado da cidade da Coruña, chegando mesmo a denunciar o presidente da Mesa pola Normalización lingüística e o portavoz do BNG no Parlamento no seu momento", explica a dirección do BNG de Betanzos nun comunicado de imprensa. "Ter nacido en Betanzos non é mérito abondo para dar un pregón, sobre todo logo de facer gala de incumprir a lexislación sobre o maior patrimonio das galegas, que é o noso idioma", engade o BNG. O ex xuíz decano da Coruña chegara a sentar no banco de acusados o ex presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón –que resultara absolto–, por denunciar que facía gala de incumprir a Lei de Normalización Lingüística. Callón fora imputado por un delito de inxurias após terlle recriminado a Fraga Mandián o incumprimento da citada lei, ao declarar que "no tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña".. |
NOS_12699 | Kalandraka celebra o centenario de Gianni Rodari cunha nova tradución do autor. | Kalandraka celebra o centenario de Gianni Rodari cunha nova tradución ao galego da súa obra. Neste caso trátase de Que fai falta?, un libro construído sobre o siloxismo que exemplifica á perfección "como o autor convertía as palabras e as ideas en xoguete poético e intelixente", destacan desde a editora. Da mesa á madeira, da madeira á árbore. Rodari segue cun método dedutivo a procedencia das cousas. O texto do italiano vén ademais acompañado polos collages de Silvia Bonanni, nos que a ilustradora combina recortes de papel impreso con elementos téxtiles. Político, xornalista, pedagogo e escritor, vencellado ao Partido Comunista Italiano, Rodari acadou o éxito con Contos longos coma un sorriso, As aventuras de Cipollino ou O libro dos retrousos, deseñados sobre a brevidade de historias desenvolvidas a partir da literatura tradicional e nas que a lectora pode escoller o final. En galego, ten traducidos Confundindo Historias, Contos por teléfono ou Inventando Números, así como a Gramática da Fantasía, a súa principal achega á pedagoxía contemporánea. |
PRAZA_5418 | As achegas do Goberno galego para o funcionamento e formación das centrais sindicais reducíronse á metade dende o retorno dos conservadores ao poder. Mentres, a patronal esixe recibir as mesmas axudas que as organizacións que representan os traballadores e traballadoras. | No ano 1991, na metade da primeira lexislatura de Manuel Fraga como presidente, a Xunta creaba unha liña de axudas para a "creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social" no seo das principais centrais sindicais do país. En 1992 o Executivo e os sindicatos acordaban un plan de formación de cadros, delegados e gabinetes. Estas achegas formalizáronse en 1994 a través dun decreto, que tamén lles outorgaba aos sindicatos o dereito de obteren "axudas compensatorias" para financiar os seus servizos de "asistencia, representatividade e defensa dos traballadores". Os sucesivos gobernos foron asentando e ampliando estas axudas, que tocaron teito en tempos da coalición de PSdeG e BNG e que o gabinete que agora preside Alberto Núñez Feijóo recortou ata un 25% por baixo dos derradeiro gabinete de Fraga, que el mesmo vicepresidía. O Diario Oficial de Galicia publica este luns a orde que regula as subvencións ás centrais sindicais para o ano 2014, dotada pola Consellería de Traballo e Benestar con 1,17 millóns de euros, en virtude do disposto nos Orzamentos Xerais para 2014. Esta cantidade está case un 50% por baixo dos 2,3 millóns de euros cos que o bipartito financiou estes subsidios en 2008 e 2009. Socialistas e nacionalistas chegaran a esta cantidade despois de atopar en 2005 as axudas dotadas con 1,5 millóns. En 2006 fixéronas ascender aos 2,2 e en 2007, aos 2,3. As axudas perderon a metade da súa dotación dende o retorno do PP á Xunta A tendencia á alza mudou en 2010, coas primeiras contas públicas de Feijóo. Non obstante, naquela altura a tesoirada foi menor e as axudas seguiron por riba dos 2 millóns de euros. En 2011 Traballo xa aplicou a tesoira con máis contundencia e a rebaixa chegou a 1,9 millóns. En 2012 o departamento de Beatriz Mato dotou inicialmente as axudas con 1,8 millóns de euros, se ben antes de concedelas mudou o rumbo e, aludindo á necesidade de "poder cumprir cos obxectivos de estabilidade orzamentaria da Facenda da comunidade autónoma", decidiu un novo recorte, ata os 1,3 millóns. Xa en 2013 o desplome continuou, quedando os subsidios en 1,24 millóns, cantidade que segue baixando neste 2014 ata os devanditos 1,17. Protestas dos sindicatos O recorte a estas axudas foi obxecto de abondosas críticas por parte das centrais sindicais, que nos últimos anos se viron obrigadas a realizar importantes axustes nas súas actividades e mesmo nos seus cadros de persoal. A través do ditame preceptivo que o Consello Galego de Relacións Laborais emite anualmente sobre esta orde de axudas, UGT, CCOO e a CIG salientan que se "vén observando un descenso continuado dos importes globais das axudas" que é "moi superior á media do descenso do orzamento xeral". Os sindicatos salientan que as axudas caen por riba do recorte medio dos Orzamentos Os cartos cos que conta a Xunta "reducíronse nun 12,02%" entre 2010 e 2014 e as axudas aos sindicatos caeron máis da metade, destacan. Ademais, os sindicatos sinalan que "non comprenden a desaparición das axudas" aos gabinetes de asesoramento en materia de economía social, uns órganos que "poden constituír un importante elemento anticrise mediante o asesoramento en temas como o autoemprego". Obxeccións da patronal A orde de axudas tampouco é do agrado da Confederación de Empresarios de Galicia, pero por un motivo ben diferente. Como xa fixera en 2013, a patronal considera que ao non ter posibilidade de concorrer a esta convocatoria a Xunta "conculca os principios de igualdade e praidade que deben observarse no delicado equilibrio que representan as relacións laborais". "As asociacións empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente", argumentan, polo que "deben ser apoiadas e fomentadas pola Administracón Laboral", neste caso a Xunta e esixen "un ámbito de axudas" que as sitúe "exactamente ao mesmo nivel" que os sindicatos. O Goberno financiou con 18 millóns as 'embaixadas' comerciais da patronal, que pide unha liña de axudas Nesta protesta a CEG obvia, non obstante, que nos últimos anos contou cunha importante inxección de fondos públicos a través da creación das Plataformas Empresariais no Exterior de Galicia (Pexga), unha rede de embaixadas comerciais creada na pasada lexislatura presentada pola Xunta como unha aposta pola "cooperación, especialmente con organismos intermedios, como mellor vía para prestar máis e mellores servizos, tanto en orixe como en destino, e acelerar deste xeito a internacionalización do tecido empresarial multiplicando a eficiencia de recursos". O Goberno galego decidiu poñer a xestión desta rede nas mans da patronal e para isto puxo sobre a mesa ata 18 millóns de euros. Reparto das axudas en 2011, 2012 e 2013 |
NOS_15306 | "Vostede dime casos puntuais. No Sergas traballan máis de 40.000 persoas", respondeu o presidente da Xunta ás preguntas respecto duns problemas que o Goberno galego tenta solucionar "inmediatamente". | O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, recoñeceu este xoves que "ás veces" teñen lugar "problemas" de sobrecarga no Servizo Galego de Saúde (Sergas), pero alegou que "adoitan ser puntuais e non continuados no tempo", e "nun lugar concreto". Así respondeu o mandatario autonómico ao ser preguntado, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, polas numerosas queixas emitidas nos últimos días por colectivos de Medicina Interna e polo Consello Galego de Colexios Médicos a través de comunicados aos medios. A imparable privatización da sanidade pública galega A estes hai que sumar moitas plataformas de pacientes e, máis en concreto, a Comisión Delegada do Hospital de Verín, que esta cuarta feira denunciaba unha "situación de caos" no servizo de Medicina Interna dese centro. "Vostede dime casos puntuais. No Sergas traballan máis de 40.000 persoas", respondeu o presidente da Xunta ás preguntas respecto duns problemas que o Goberno galego tenta solucionar "inmediatamente". Convocatoria MIR extraordinaria Sobre eses "problemas", o dirixente afirmou que "adoitan ser puntuais e non continuados no tempo". "Outra cousa son as demandas dos profesionais, moi respectábeis e que tentamos atender, e cando non se pode ou cando non teñen razón, explicar por que actuamos desta maneira", matizou. Neste contexto, o mandatario galego volveu referirse ao "problema recorrente" da falta de facultativos en Atención Primaria, para o que insistiu en solicitar ao Ministerio de Sanidade que "permita" unha convocatoria MIR extraordinaria e que cre a especialidade de Medicina de Urxencia, que permitiría incorporar a este servizo "20 ou 30 médicos". Os médicos internistas rexeitan os contratos de mobilidade e exixen "máis profesionais" Sobre as protestas dos médicos internistas, Rueda defendeu a reunión da pasada semana cos xerentes das áreas sanitarias e os xefes de Medicina Interna, na que se puxo enriba da mesa vincular os contratos nos hospitais de cabeceira con desprazamentos aos comarcais. As declaracións do presidente galego chegan a pesar de que os colectivos de internistas xa se mostraron en contra desta medida e denunciaron non sentirse "representados" polos asistentes a esta reunión, polo que reclamaron unha reunión directa co Sergas á vez que empezan falar dunha eventual folga. |
NOS_2584 | Ambos os dous consistorios convidaron aos gobernos locais da contorna a estudaren un outro modelo de xestión de recursos que supere o que actualmente desenvolve Sogama e que tildan de "anticuado" e aliás, "caro". | Os concellos de San Sadurniño e Narón convocaron esta terza feira unha xuntanza de traballo para avaliar de maneira conxunta unha alternativa a Sogama. Após a fenda aberta entre a factoría de Cerceda, a Xunta e os gobernos locais insubmisos ao taxazo, estas dúas administracións organizan unha xornada para estudaren un outro modelo de xestión de residuos. Ao encontro están chamados todos os municipios da comarca e estará encabezado por Secundino García (BNG), alcalde de San Sadurniño, e José Manuel Blanco (Terra Galega). San Sadurniño xa promoveu hai semanas unha xornada de traballo para distintas cidades exporen as súas alternativas á incineración O obxectivo da xuntanza é "debater sobre a xestión do lixo, e mesmo analizar e explorar as posibilidades existentes neste ámbito, de cara a buscar, se é posible, métodos de xestión máis respectosos co medio ambiente, máis eficientes economicamente, e mesmo xeradores de riqueza e emprego", explican nun comunicado de imprensa. A iniciativa vén dar continuidade á procura de alternativas iniciada en San Sadurniño hai unhas semanas e que levou este concello a desenvolver unha xornada na que distintas cidades expuxeron as súas alternativas á incineración. Besteiro ofrece axuda aos concellos rebeldes Mentres, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, ofreceu esta segunda feira asesoría xurídica a aqueles concellos que se "rebelen" face o incremento das taxas de Sogama decretado polo goberno galego, por volta do 30 por cento [o tamén líder do PSdeG cifra o aumento no 34%]. Para o dirixente do PSdeG-PSOE, o asunto Sogama pon de relevo a escasa capacidade do Goberno Feijóo para condicionar o seu suposto goberno amigo, en relación a Madrid. Di isto Besteiro porque o PP ten argumentado que o incremento de prezos de Sogama -que tamén ten sido cuestionado por gobernos locais conservadores- é produto da reforma do sector eléctrico impulsada polo gabinete Rajoy. |
NOS_34913 | As manobras xa son á luz do día. Pedro Sánchez está no albo do sector crítico liderado por Susana Díaz e o obxectivo é que a súa renuncia se produza mesmo antes do Comité Federal do sábado. A opción para tombar o secretario xeral sería a demisión da metade máis un dos membros da Executiva. | Neste momento, segundo fontes do sector crítico consultadas pola SER, o movimento opositor a Sánchez -contrario a que este tente a formación dun goberno alternativo a Rajoy- contaría co apoio de 15 membros no órgao de dirección do partido socialista, un número aínda insuficiente para obter a renuncia de Sánchez. O secretario xeral tería que abandonar o seu cargo se a metade máis un dos membros da Executiva demiten en masa, segundo prescriben os estatutos. A Executiva ten 36 integrantes. A queda de Sánchez exixe que no mínimo 18 ergan a voz contra el. En principio, todo indica que Sánchez pode sobreviver a este asalto -porque os seus fieis continúan a ser maioría no órgao executivo- e chegar máis ou menos indemne á cita do Comité Federal do sábado. Nese foro, de 290 membros, as súas opcións de prevalecer non son tan seguras. En todo caso, Sánchez afirmou esta terza feira que unha derrota no máximo órgao do PSOE entre congresos non o levaría a demitir. Neste momento non hai nengunha posibilidade de consenso no PSOE. A loita fratricida non ten marcha atrás. Os apoios de Sánchez minguan por horas Neste momento non hai nengunha posibilidade de consenso no PSOE. A loita fratricida non ten marcha atrás. Os apoios de Sánchez minguan por horas. Esta terza feira trascendeu a ambigüidade na que se move un dos seus aliados máis firmes até o de agora, o líder do partido socialista de Euskadi, Patxi López. O único escenario que manexa o sector crítico é forzar a renuncia do secretario xeral e permitir mediante unha abstención o goberno de Rajoy. Voltouno a explicitar esta cuarta feira o líder histórico do partido Felipe González nunha entrevista radiofónica. A súa tese é que o goberno alternativo a Rajoy é politicamente inviábel por depender do voto das forzas soberanistas, que ir a terceiras eleccións sería un despropósito e que portanto o PSOE non pode continuar a bloquear a formación dun executivo que, aliás, disporía de 170 escanos na Cámara (137 do PP, 32 de Cs e 1 de Coalición Canaria). De se abrir paso este escenario, é pouco probábel que Sánchez desaparecese do palco. O máis verosímil é que agardase a convocatoria do congreso ordinario do partido para disputar a súa lideranza. A súa xogada admite diversos desenvolvimentos, entre outros o de que, se non gañar agora, unha eventual derrota ante os baróns do partido o coloque en boas condicións para gañar a meio prazo enarborando a bandeira da esquerda e da non colaboración co Partido Popular. |
PRAZA_5068 | A primeira emisora municipal galega celebra ao longo deste ano o seu 30 aniversario. Naceu en setembro de 1984, entre o Hortensia e a reconversión, e foi crecendo e servindo de exemplo a outras experiencias radiofónicas en toda Galicia. Falamos co seu director, Henrique Sanfiz | 27 de setembro de 1984. Radio Fene comeza oficialmente as súas emisións, despois de estar en probas durante o verán. Uns días máis tarde o ciclón Hortensia varre a comarca, todo un primeiro reto técnico e informativo para a emisora acabada de nacer. Non sería o único: eran anos moi movidos en Ferrolterra, no medio da reconversión naval e unha constante mobilización social e electoral ou o mesmo referendo da OTAN (no que en Fene o non obtivo máis do sesenta por cento dos votos). Nese ano o Concello de Fene, gobernado por Xosé María Rivera Arnoso (BNG) dende 1979, toma a iniciativa de crear unha emisora municipal, sendo concelleiro de cultura César Martinez Yáñez. Nese momento non había ningunha en funcionamento en Galicia, aínda que anos atrás, en 1980, en Oleiros intentárase botar a andar Radio As Mariñas, unha emisora impulsada por un moi novo Manuel Rivas, que estivo unha hora en antena, até que a Garda Civil irrompeu nos estudios para interromper a emisión. No resto de España a catalá Radio Areyns (1979) e as andaluzas Radio Pizarra (1979), Radio Lebrija (1981) e Radio Aljarafe (1983) foran abrindo un camiño para a radio municipal, entendida en todos os casos como emisoras comunitarias, espazos abertos para a comunicación local e o debate. "Radio Fene naceu co obxectivo de promover a lingua e a cultura galega, ademais de poñer unha ferramenta de comunicación ao servizo da cidadanía" "Radio Fene naceu co obxectivo de promover a lingua e a cultura galega, ademais de poñer unha ferramenta de comunicación ao servizo da cidadanía. Eran momentos, en setembro de 1984, onde non había ningunha radio que emitise integramente en galego", lembra Henrique Sanfiz, director de Radio Fene e que leva ligado á emisora dende o seu nacemento. "Os primeiros meses de actividade foron frenéticos" -lembra Sanfiz- "aos poucos dias de nacer, o 5 de outubro, chegou o ciclón Hortensia, as casas quedaron sen suministro eléctrico, árbores caidas, estradas cortadas, e Radio Fene, cun xenerador realizou naquela noite un programa especial que fora un aldabonazo na comarca. Aos poucos dias de nacer veuse a tremenda utilidade dunha radio local". Sanfiz salienta que "eran os anos da reconversión naval, e Radio Fene convertiuse en altavoz da problemática e dos plantexamentos dos traballadores, realizando un seguemento exhaustivo de asembleas e manifestacións. A nosa cota de audiencia daquela, penso que rebasaba o 90% da poboación en Fene e con porcentaxes moi altas no resto da comarca. Para saber que pasaba en Astano, había que poñer Radio Fene". Para conmemorar este 30 aniversario, a emisora está realizando un amplo conxunto de actividades ao longo deste ano, que esta fin de semana inclúen a iniciativa Mar e Ferro, unha xornada de intervención artística na que Radio Fene e o Centro de Promoción Social (CPS) de San Valentín xuntarán 30 pintores e pintoras de Fene, da comarca e de toda Galicia, para que pinten nas paredes deste barrio obreiro murais relacionados co mundo do mar, co mundo do ferro, co mundo da construción naval. "Trátase dunha iniciativa artística para reclamar a construción de barcos, actividade que se ven realizando na ría de Ferrol desde hai 400 anos e que conta con futuro en todo o mundo. 30 artistas van retomar a mellor tradición do arte urbano, de denuncia social e de convite á reflexión, para trasladar ás paredes de San Valentín a súa visión do mundo do mar e dos barcos", destaca Sanfiz. "Eran os anos da reconversión naval, e Radio Fene convertiuse en altavoz da problemática e dos plantexamentos dos traballadores. A nosa cota de audiencia daquela, penso que rebasaba o 90% da poboación en Fene e con porcentaxes moi altas no resto da comarca" Os actos continuarán ao longo dos vindeiros meses, até chegar ao aniversario oficial, xa no outono. "Queremos organizar ao longo deste ano un evento en colaboración cunha entidade de cada unha das parroquias, para festexar os trinta anos de comunicación local", adianta Sanfiz, que tamén sitúa como obxectivo "consolidar a programación de Radiofusión de apoio ás emisoras municipais" e tamén "levar adiante colaboracións con radios de fora de Galicia, e coa radio escolar, que se van iniciar cunha retransmisión da experiencia Ponte nas ondas a finais do mes de maio". 30 anos de historia O seu carácter pioneiro serviu de exemplo para moitos concellos de todo o país, e Fene impulsou a creación dunha asociación de Emisoras Municipais Galegas, que co tempo se converteu na actual Radiofusión. Os oitenta foron anos duros, nos que estas emisoras tiveron que superar moitos obstáculos, traballando ás veces nunha situación de inseguridade xurídica e de alegalidade. "Gastamos moitas enerxias na pelexa por unha cobertura legal acaída que permitise a sustentabilidade da radio local" -sinala Sanfiz- "Logrouse unha lei, a LOCEM, que cando menos, abría a porta dos ingresos comerciais, tamén para a emisora municipal. Tamén dedicábamos atención á formación e á reciclaxe e o traballo penso que deu os seus froitos". "Gastamos moitas enerxias na pelexa por unha cobertura legal acaída que permitise a sustentabilidade da radio local" -sinala Sanfiz Para Sanfiz "as radios municipais contribuen á vertebración social, ao eloxio do próximo, do cercano. E iso temos que logralo aspirando á excelencia e á calidade informativa, igual que o artesán fai con todo o seu agarimo unha peza única". Os tempos, a tecnoloxía evoluciona, pero a radio municipal mantén a súa función. "O principal reto é adaptarse ás novas tecnoloxias" -di- "A radio, como medio, conserva a súa maxia especial, a súa capacidade de suxerencia, de incentivar a imaxinación. Pero ademais é o medio que mellor se fusiona coas redes sociais e cos novos dispositivos electrónicos" Ao longo destes trinta anos pasaron por Radio Fene milleiros de voces e entrevistados, centos de colaboradores e colaboradoras e iniciativas e programas que poderían competir en pé de igualdade coas grandes emisoras comerciais. Por exemplo o Carrusel Volta á Ría, percorrido en directo por todos os partidos dos equipos de fútbol da comarca, mesmo de segunda e terceira rexional (e que se realizaba mesmo antes de haber teléfonos móbiles). Ou o certame de Cartas de Amor, que se vén celebrando o 14 de febreiro dende 1989, e que conta entre os premiados con autores como Emma Pedreira, Adela del Río, Xosé Montero, Dolores Couceiro, Emilio Ontañón, Francisco Maceira, Alicia Fernández Rodriguez, Pablo Jablonski e Jorge Melero. E un xurado polo que pasaron, entre outros, Bieito Iglesias, Xosé Manuel Sarille, Manuel Forcadela, Estíbaliz Espinosa, Cesáreo Sánchez Iglesias, Mario Regueira, Iria López Teijeiro, Xosé Leira, Rosa Aneiros e Dulce López Rivera. "A radio, como medio, conserva a súa maxia especial, a súa capacidade de suxerencia, de incentivar a imaxinación. Pero ademais é o medio que mellor se fusiona coas redes sociais e cos novos dispositivos electrónicos" Se Henrique Sanfiz tivese que escoller tres momentos ou tres imaxes da historia de Radio Fene, el escollería "os días que vou ao comercio dos chinos da localidade e vexo que teñen sintonizado Radio Fene", ou cando "vou a unha tenda de electrodomésticos e dimen que acaba de ir unha señora de 90 anos pedindo unha radio onde se escoitara Radio Fene, que lla colocaran nese punto do dial, que xa non o ía mover nunca". Ou tamén "cando se achegan pola radio os nenos e nenas do Colexio Centieiras de Perlío, co seu guión radiofónico para facer a locución do programa sobre a actualidade do centro educativo". |
NOS_18722 | As recepcións finalizarán a sexta feira, coa quenda de Podemos, PSOE e PP. Esta cuarta feira o Borbón recibe os representantes de En Marea. ERC e EH Bildu nun asistirán. | Felipe VI iniciou esta segunda feira a rolda de contactos con representantes das organizacións que o 20-D atinxiron presenza nas Cortes españolas. A organización Nueva Canarias foi a primeira en ser recibida polo monarca español no marco destas conversas para designar goberno. Foro Asturias e Coalición Canaria-PNC completan a quenda de recepcións deste 18 de xaneiro. Pedro Quevedo, deputado de NC, comunicou o seu apoio a un gobrno liderado polo socialista Pedro Sánchez. Cómpre lembrar que Nueva Canarias ía co PSOE nestas eleccións xerais. Quevedo. En Marea será recibida a cuarta feira, xornada na que tamén acudirán os representantes de DiLL Na terza feira serán o momento para UPN e PNV, e no día seguinte, 20 de xaneiro, DiLL e En Marea serán recibidos por Felpie VI. Antón Gómez Reino e Alexandra Fernández serían os integrantes da delegación galega. Quen non acudirá vai ser ERC, en protesto por non recibir o monarca español a presidenta do Parlament de Catalunya. Tampouco o fará EH Bildu, após así acordalo as asembleas da formación da esquerda abertzale. A quinta feira acudirían á cita Compromís-Podem, En Comù Podem e Ciudadanos. E a sexta feira finalizaría a rolda de consultas con Podemos, PSOE e PP. |
PRAZA_18734 | A compañía Inversa Teatro vén preestrear no Culturgal a súa nova montaxe, Sofía e as postsocráticas, que propón reflexionar sobre as raíces da violencia de xénero. | Tres mulleres, filósofas postsocráticas, reivindican un novo logos. Un novo marco interpretativo no que as mulleres sexan por elas mesma e non en relación aos homes. Porque, sen este novo logos, non poderemos facernos as preguntas fundamentais que nos leven a comprender as raíces da violencia de xénero. E se cadra a atopar a maneira de acabar con ela.Desta formulación parte Sofía e as postsocráticas, a nova montaxe de Inversa Teatro, que vén de ser preestreada no Culturgal. Marta Pérez, Silvia Penas e María Roja son as filósofas que nos conducen, con eficacia, por un percorrido, apoiado nas máscaras e en elementos visuais e sonoros, polo pacto patriarcal, o silencio social, a culpabilización da vítima, a negación ou o efecto espectador. Aspectos, todos eles, que sustentan a violencia machista. Falamos con Marta Pérez, autora da dramaturxia, actriz e directora desta obra.Os personaxes dos que partes son Sócrates, Platón e Aristóteles. Case nada. Por que eles?Un pouco para homenaxealos e un pouco para desmontalos. Porque son grandes referentes da cultura occidental, que é a que lexitima a violencia cara a diferenza. Tres grandes pensadores aos que admiramos, mais nos que está o xerme da violencia, a violencia fundante, sostida na diferenza. Os que marcan o inicio desa razón que se sostén a si mesma. O inicio do discurso falocéntrico, hexemónico e heteropatriarcal de occidente."Sócrates, Platón e Aristóteles son tres grandes pensadores nos que está o xerme da violencia, a violencia fundante"Hai, en relación con eles, un xogo coas máscaras. Sodes eles cando as poñedes. Deixades de ser eles ao sacar as máscaras… Quen fixo as máscaras?Gonzalo Alonso, o responsable da construción escenográfica, foi quen as construíu. A obra comeza nun museo no que se expoñen unhas ideas, que son ideas platónicas estáticas. As máscaras serven para marcar a distancia entre Sócrates, Platón e Aristóteles e as filósofas postsocráticas, que procuran un novo logos fronte ao logos pactado por estes tres filósofos. Quitar as máscaras é un xeito de marcar a ruptura con esas ideas estáticas das que se parte. Porque do que se trata é de fundar unha nova teoría da conciencia. O novo logos que as postsocráticas buscan é unha petición de toma de conciencia de xeito individual ante un problema social, a violencia."O novo logos que as postsocráticas buscan é unha petición de toma de conciencia de xeito individual ante un problema social, a violencia"As máscaras, ademais, colocámolas nun pé de micro, cando as deixamos, de xeito que os micros fan como se fosen unha pirola que queda mirando as postsocráticas, en constante observación por parte dos falos. E estes pés só se retiran cando se di "espazo libre de violencias machistas".Ao principio, os filósofos falan de Sofía -de filosofía- ou do político. Ben: fala, en realidade, Sócrates. É como unha introdución ao que vén despois...Empezamos cun monólogo de Sócrates, o texto de Apoloxía de Sócrates escrito por Platón, na que Sócrates di, basicamente, que el di a verdade. Os que nós propoñemos é poñer en cuestión a Sócrates. Porque, con todo o sabio que era, que non o negamos, non podemos esquecer que tamén era un sofista, que xogaba ben coa linguaxe. Hai un punto de verdade no que din os seus acusadores, o cal non significa que fose xusta a súa morte.Mais a cuestión é que Sócrates foi asasinado, condenado a morrer, grazas, ou por, ou a través da democracia, o cal me parece moi significativo e algo sobre o que reflexionar: foi unha votación democrática quen matou a Sócrates. Canto valen as voces na democracia? Gaña o mellor argumento ou aquel cuxa voz vale máis? Se todas as voces valesen o mesmo, Sócrates non morrería: por iso, sen igualdade non pode haber democracia. Sen igualdade non hai nada. Simbolicamente, tamén as asasinadas por violencia machista sono por votación democrática."Simbolicamente, tamén as asasinadas por violencia machista sono por votación democrática"O que quero remarcar é que tamén existe un pacto democrático sobre a violencia. Porque certas violencias están permitidas pola maioría. Que haxa democracia non significa que teña que haber xustiza. A obra, en xeral, traballa desde a filosofía da sospeita. Convida a poñer en cuestión. Tamén a razón ilustrada, a través da que vén o fascismo. Trátase de pensar a razón, o ser e o non ser: todo desde a fundación, desde que comeza a pensarse o ser, o non ser, a diferenza entre o un e o outro. É esencial volver a estas preguntas fundamentais: que somos e que non somos, canto valemos e canto non valemos, como estamos constituídas ontoloxicamente."Tamén existe un pacto democrático sobre a violencia. Porque certas violencias están permitidas pola maioría"Como digo na obra, cada vez que falamos, estamos calculando o mundo. Cada vez que falamos, estamos achegándonos a algo, que ten que existir. Como di Sócrates: a nada tamén é algo. E do que falamos nesta obra é da violencia, de como se instaura e de como se perpetúa, de en que nivel de conciencia estamos para vela ou para non vela. O obxectivo é sacar á luz -como dicían os gregos - o ser, a estrutura da violencia, para observala de perto, examinala e ver como transformala. Por iso o xogo que propoñemos ao público coa paralaxe: o que vemos e o que non vemos, segundo o logos ou segundo a nosa ideoloxía -que non é máis que a suma do concepto idea máis logos.Sócrates (Silvia Penas), Platón (ti mesma) e Aristóteles (María Roja) teñen diferentes roles nesta obra. A Aristóteles tócalle a peor parte…É que parece que está permitido socialmente vacilar unha persoa, exercer violencia sobre ela, só por ser máis nova, por ser menos experienciada. E, como xa dixen en anteriores obras miñas, unha cousa é a teoría e outra a práctica, nese lugar no que radica o elo perdido. Na práctica, tendemos a ditar o que vale e o que non, o que se lle pode facer a unha persoa e o que non. Se falamos de violencia de xénero, os violentadores saben moi ben a quen poden e non violentar, en que grao e en que momento."Os violentadores saben moi ben a quen poden e non violentar, en que grao e en que momento"E tamén nós sabemos a quen lle podemos dicir certas cousas e a quen non. Se queremos, de verdade, que haxa igualdade, temos que repensar isto, a nosa vontade. Aristóteles é máis novo, entón parece que hai dereito a vacilalo. Platón é un pouco inconsciente: solta pola boca o que di Sócrates, pero ás veces de modo inconsciente tamén solta verdades, como cando fala de que o Estado é o patriarcado. Sócrates é o sabio que ten que ser cuestionado… Pero en realidade, como xa dixen, a idea é criticalos aos tres.Falabamos antes do novo logos que as postsocráticas procuran. Poderiamos explicalo como un novo marco interpretativo no que as mulleres sexan por si mesmas e non en relación aos homes.Xusto iso, si, está ben resumido así. Trátase de ser, de valer ontoloxicamente o mesmo ca eles, ser ou non ser segundo o noso propio cálculo, o noso propio valor, e non en relación aos homes.Algúns poemas de Silvia Penas forman parte da obra. Silvia ten un monólogo que fala do cálculo, de medir a dor, ata a morte. Por que?"Hai moitas mulleres mortas en vida e non as vemos"É un monólogo previo a cando empezamos a calcularnos. Ten que ver con como as palabras constrúen por exemplo, a medida da mentira. Tamén coa idea de medir a dor, da medida da dor que se lles aplica ás mulleres maltratadas. Porque, como se mide iso? Podemos contar milímetro a milímetro, descuartizar o corpo e a alma, ata chegar á morte. Mais, pódese calcular estar morta?Porque, cando xa non queda nada, cando se chega ao límite, que é a morte, xa non hai nada que dicir. Pero, que pasa antes da morte? Hai moitas mulleres mortas en vida e non as vemos. O texto da obra é meu, pero parte de material colectivo que foi xurdindo nos ensaios. Foi un traballo de creación colectiva. E os poemas son, si, de Silvia. Así como o movemento na peza está asinado por María.Despois vén unha escena na que, efectivamente, se propoñen unhas curiosas medidas da dor. Que significa?"Non é nada raro escoitar: "pois esta rapaza levouno moi ben e esta outra levouno peor". Mais, se é así, hai entón algún aparato que poida medir de xeito obxectivo a dor?"A idea é aplicar un método, que nós inventamos, para calcular a dor, o sufrimento, e o silencio que aplican sobre ti: que non che falen, que non te nomeen, que non te vexan, que non te defendan cando estás a ser violentada. O silencio cómplice da sociedade. O non facer nada, que xa é facer moito.Non é nada raro escoitar: "pois esta rapaza levouno moi ben e esta outra levouno peor!". Mais, se é así, hai entón algún aparato que poida medir de xeito obxectivo a dor? Esta é unha escena que se move entre o simbólico e o poético, porque penso que non había outra maneira de afrontala. Nós inventamos o violentómetro, o ferímetro, o sufrímetro, o sufricardiograma… Uns aparatos, cada un coas súas unidades de medida, coma o perímetro da dependencia, o filtrado de difamación ou o alcance do berro. Para medir, calcular, o sufrimento, a dor, o medo, o pánico, o engano, a dependencia.Un dos aspectos do maltrato é a dependencia, porque quen che fai dano tamén hai momentos en que te trata ben, entón faiche pensar que, se te trata mal, é porque o merecías. Faiche estar constantemente esperando o premio, o cal fai que, mentres, esteas a sufrir dun xeito terrible."Cando sofres estrés postraumático, é como se houbese dous mundos: o teu e o de fóra, que che resulta distante, alleo"Cando sofres estrés postraumático, é como se houbese dous mundos: o teu e o de fóra, que che resulta distante, alleo. Estás completamente alienada. E iso é pola disociación: a túa mente non é capaz de concibir que quen che di que te quere te trate mal, entón disocia. Ata o punto de que non te recoñeces cando saes desa relación, de que pensas que o maltrato non existiu. Tes unha sensación de irrealidade.É como se che poñen unha foto túa diante dos ollos e non es quen de recoñecerte nela. Nin cres o que che está a pasar. Eu vivín iso. E tomei a decisión de romper a relación no momento en que me mirei a un espello e non puiden recoñecerme. Aqueles ollos non eran os meus. Nin a miña cara. Nin o meu pelo. Nin a miña expresión. Entón deume un ataque de pánico. E a partir de aí decidín romper.Antes falabas do silencio social cómplice. En varios momentos da obra está representado o ruxe-ruxe social. O ruído. Que se estás con el é porque che compensa ou porque che convén...O que queriamos tratar, respecto diso, é o tema da difamación e violencia social, no que se sostén a revitimización. O cuestionamento do que a muller maltratada é obxecto, e sobre todo no momento en que se atreve a denunciar. Porque esa é a reacción habitual: en vez de empatizar, atacar. Todo Deus se cre con dereito a dicirche como tes que sentirte, canto debe afectarche…"Todo Deus se cre con dereito a dicirche como tes que sentirte, canto debe afectarche…"Hai unha parte da obra que é unha sucesión de frases que escoita, normalmente, unha muller maltratada. Pois esas frases non son inventadas: son absolutamente reais. A xente solta pola boca cunha total inconsciencia. Por iso sempre digo que hai unha especie de lei física: canto máis denuncias, máis violencia recibes.E logo está tamén quen teima en pór ao mesmo nivel ao agresor que a agredida; como se o nivel de violencia que el recibe pola nosa denuncia fose igual que o da vítima. Non podemos esquecer xamais que os agresores sempre van saber como facerse os agredidos. É habitual escoitar o de: eu non a maltrato, é ela a que me trata mal a min inventando todo o que inventa sobre min."Non podemos esquecer xamais que os agresores sempre van saber como facerse os agredidos"Refíreste a xulgar no lugar de acompañar e escoitar, supoño.Xusto iso. Acompañar sen xulgar, é o que falta. Acompañar desde a ética, deixando de lado esa razón ilustrada xulgadora. Entendo que é difícil falar sen emitir xuízos, mais o que precisas, cando estás a ser maltratada, é ser acompañada, comprendida e coidada e non que che digan burradas. A sociedade diche ata canto tempo tes dereito a sufrir. Hai como unha impaciencia, unha obriga social de poñerte ben cando cho ordenen."O que precisas, cando estás a ser maltratada, é ser acompañada, comprendida e coidada, e non que che digan burradas"Mais o que pasa é que unha persoa ferida de tal forma precisa tempo, resiliencia, espazo para reflexionar… Se che meten présa, podes pór parches, pero vas volver caer. Porque precisas mudar unha estrutura, pasar por unha transformación completa. Eu mesma, cando sufrín maltrato, sentinme moi pouco acompañada. As persoas que máis me acompañaron foron outras mulleres que pasaran polo mesmo. Se o que fai a xente é xulgar a muller e dicirlle o que ten que sentir, o que van conseguir é que se feche en banda e garde todo. E logo non ven, non entenden que se ti estás mal é porque esa relación rematou contigo. É unha simple cuestión de causa-efecto. Sorpréndeme moito iso.Dicíame hai uns días Emma Pedreira nunha entrevista que corpo e mente precisan o seu tempo de curación.Estou de acordo. E penso que o que pasa, tamén, é que nunha sociedade capitalista e consumista, as persoas que están mal non están dispoñibles para seren consumidas. Tamén consumimos persoas, e non as queremos enfermas. E isto lévame ao que comentabamos antes: a razón ilustrada e a súa ansia de dominación sobre a natureza, que é algo moi patriarcal. Denunciamos violencia e recibimos violencia social cun efecto boomerang: violencia multiplicada."As persoas que están mal non están dispoñibles para seren consumidas"Na obra hai tamén, despois, un par de escenas que fan referencia á violación da Manada e ao xuízo que a seguiu. De verdade que no xuízo se dixeron tales barbaridades?Son frases reais e nós procuramos dicilas igual que están na sentencia. É tan demencial que si, que pode parecer invento noso, pero non. Que se estaba excitada, que se estaba abondo lubricada para non sentir dor, que se despois se foi de vacacións e levaba vida normal.. Les a sentenza e non podes crelo.Entón, eu preguntábame onde quedou a ética das persoas que se dedican ao Dereito. Que lles ensinan nas Facultades? Hai unha voz en off que fala da ratio iuris e da quaestio iuris como conceptos a manexar no mundo do dereito, pero dando por suposto que a eles non lles importan a ratio e a questio mesma. A cuestión é seguir unhas pautas. Mais a violencia que exercen os avogados da xustiza patriarcal debe saír de algures. Que foi da Universitas?"As mulleres van aos Xulgados, mesmo aos de violencia de xénero, como se fosen ao matadoiro. A violencia institucional é terrorífica"As mulleres van aos Xulgados, mesmo aos de violencia de xénero, como se fosen ao matadoiro. A violencia institucional é terrorífica. É tal a violencia, a humillación, o cuestionamento da muller, a atribución de todo á súa subxectividade… E iso pasa, permítese, porque non somos iguais, senón que somos consideradas seres en relación a eles, por debaixo deles. Por iso nesta obra falamos de ir á raíz, de repensalo todo.En relación con iso, hai unha voz en off -un pequeno discurso dun profesor, que é a voz de Manuel Outeiriño- sobre a xustiza. Que é o que di?É esa idea da que falabamos de que significa a xustiza. Para os gregos é dar a cadaquén o que merece na súa xusta medida. E iso, unha verdade platónica, soa moi bonito, pero nos xulgados ás nove da mañá hai pouco de metafísica. Na práctica, o cliente ten que ser defendido, e para iso recorren ao que facían os sofistas. Xogar coa linguaxe, coma Sócrates. E a linguaxe é poder que pode ser utilizado para xustificar a violencia. Xa non estamos para volver ao debate sobre o ser e o non ser, como propón Heidegger. O que di o profesor de Dereito, a voz en off, é que se impón a práctica, que é cálculo. O mellor para o futuro profesional do avogado.Despois veñen todas esas frases, tiradas da realidade, que representan o xulgamento social.Primeiro vén o xuízo da Manada, o xuízo institucional, despois o xuízo social, despois o xuízo do maltratador sobre a maltratada e despois o xuízo da maltratada sobre si mesma, a culpa, a dúbida sobre se fixo ben ou se tiña razón el.María Roja tamén ten un poema. Un monólogo.É un poema de Silvia. Que fala do silencio. De cando estás mal e a sociedade só xera ruído. Cando unha muller está nunha situación de maltrato ten a cabeza feita un bombo, un caos. Por un lado, pode botar de menos o agresor, pola dependencia que causa o maltrato. Por outro, todo o xulgamento social. E é algo que dicimos na obra: non estou tola, estou mal porque el me deixou mal."É algo que dicimos na obra: non estou tola, estou mal porque el me deixou mal"Unha vez explicoumo ben unha muller que sufrira maltrato psicolóxico: non che pegaba, pero deixoute feita unha pena, ao bordo do suicidio.Exactamente. Es unha morta en vida, no medio do barullo social. A xente atrévese a xulgarte. Fanche máis dano, fan que dubides de ti mesma. Mesmo xente que che quere ben. Entón pensas que te pasaches, que non foi para tanto, que non deberías ter denunciado, que tes que perdoalo… Dinche que estás tola, que estás obsesionada…"Es unha morta en vida, no medio do barullo social. A xente atrévese a xulgarte. Fanche máis dano, fan que dubides de ti mesma"Di Montse Fajardo que unha muller maltratada non se distingue das demais en nada máis que en que deu cun criminal.Claro. Porque é algo que nos pasa por ser mulleres, non por como sexamos cada unha de nós. E eles exercen violencia porque poden.Sae tamén na obra un pequeno relato sobre o caso de Kitti Genovese. Por que?Para explicar o "efecto espectador". Cando estamos en grupo, a responsabilidade dilúese. Por un lado está o mandato cultural e ético de axudar os demais, pero por outro está a tendencia a actuar como os demais. E así funciona: se ninguén fai nada, ti non fas nada. Dilúese a responsabilidade e ninguén actúa. 38 persoas, segundo o cálculo do New York Times -doce segundo a policía- non fixeron nada mentres unha muller era asasinada."Hai pouco falaba con Carme Adán de algo relacionado con isto, que é que se está a producir unha nova orde patriarcal, na que a crítica ao patriarcado pode realizarse, pero dentro duns límites"Por explicar isto: hai pouco houbo unha festa dun partido de esquerdas co que eu comparto moitas ideas e no que ha xente á que aprecio moito. Pois todo o mundo colgaba nas redes sociais, como se non pasase nada, fotos cun rapaz denunciado por abuso sexual. E iso é algo totalmente normalizado. E ten que vir alguén de fóra para dicir que aí pasa algo. Así funciona o efecto grupal da disolución da responsabilidade. Mais tamén penso que, se alguén se rebela contra iso, tamén se pode producir un efecto dominó.Hai pouco falaba con Carme Adán de algo relacionado con isto, que é que se está a producir unha nova orde patriarcal, na que a crítica ao patriarcado pode realizarse, pero dentro duns límites. Ela fala diso no seu novo libro: 'Feminicidio'. E o que temos que conseguir é que non haxa orde patriarcal ningunha. O patriarcado está, agora, permitido criticalo ata certos lindes. Se moves o marco conceptual, van ir por ti. Porque mover os marcos conceptuais é incómodo, porque fomos construídos desde aí.Tamén porque se denuncias a alguén próximo, estás meténdote e cuestionando relacións que moita xente non está disposta a repensar e a mala es ti. Non se acepta que se denuncie aos amigos, camaradas, familiares... Facelo e aceptalo implica que tamén ti debes revisarte e iso non interesa. Así resulta tan incómoda quen se atreve a denunciar e por isto mesmo sofres bullying. Por iso quedas soa nas denuncias."Non hai nada máis parecido a un machista ca un feminista asustado"O famoso "metoo" é mentira. Toda esa publicidade é mentira: estamos completamente soas. Para estar acompañadas teríase que entender que o persoal é político, pero ese discurso é rexeitado na práctica, mesmo por aqueles que se definen como feministas. Porque non hai nada máis parecido a un machista ca un feminista asustado.É o que falabamos ao principio: a violencia fundante. E se che tocan iso revólveste, rebélaste, retórceste. Precisamos facer unha autocrítica fonda, verdadeira. Porque todas as persoas somos ou fomos partícipes, dalgún xeito, dese efecto social do que falabamos. E enfrontarte a el implica moita valentía. Por suposto, eu tamén formei parte dese efecto espectador. Creo que ninguén se salva."O famoso "metoo" é mentira. Toda esa publicidade é mentira: estamos completamente soas"Que vén ser o que di a obra.Na obra o que tratamos é de ir á estrutura, ir máis alá do discurso de sempre do malos que son eles e do mal que o pasan elas. Iso xa o sabemos. Pero hai que ir á raíz. E, en relación con isto, estou en contra do cinismo institucional do cartel de "espazo libre de violencias machistas" en calquera lado. Do uso dese discurso para o lavado de cara. Porque iso fainos cómplices. Cada vez enfádame máis porque estou farta de significantes baleiros. Estou farta de mentiras.Na obra son moi importantes o vídeo e a música tamén.A música é de Jesús Andrés Tejada, o compañeiro de Silvia Penas en CintaAdhesiva. A videocreación é de Laura Iturralde. A escenografía de Montse Piñeiro e Gonzalo Alonso. E si, tanto vídeo como música son moi importantes na obra. Como a iluminación, de Ángel Sousa. Miguel Borines axudounos coa manipulación das máscaras… É un equipo grande o que traballou nesta obra. Santi Romay, máis que axudante de dirección, foi codirector. Sen el non sería posible. Eu non podo facer todo soa: preciso unha mirada externa…Algo máis que queiras dicir?Seguindo co que contaba da miña conversa con Carme Adán, é importante dicir que a violencia machista non é unha lacra: é unha estrutura fundada e sustentada por toda a sociedade. E cómpre que reflexionemos sobre iso. |
NOS_22798 | Membros do BNG, entre eles o deputado Luís Bará, manifestáronse esta mañá nos accesos á Ponte de Rande, na AP-9, durante a visita do presidente do goberno español, Mariano Rajoy, acompañado polo presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, que ían inaugurar a ampliación da ponte semanas despois do anuncio de que a concesionaria subirá de novo as peaxes a partir do 1 de xaneiro, repercutindo os custes das obras, inda por rematar, sobre os usuarios da principal vía de comunicación do país. | O incremento das tarifas será dun 1,9 % inicialmente, para chegar até o 3% durante o próximo ano. Audasa, a concesionaria, estima en 130 millóns de euros o investimento nas obras que se fixeron de acordo coas condicións de financiamento asinadas nun convenio co Ministerio de Fomento en 2011, daquela dirixido polo socialista lucense José Blanco, quen esta semana queixouse por non ter sido convidado ao acto de inauguración. Si estiveron presentes, ademais de Rajoy e Feijóo, a presidenta do Parlamento español, Ana Pastor, o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e o alcalde de Vigo, Albel Caballero -o único alcalde da contorna que acudiu ao acto-, entre outras autoridades. Esta cuarta feira, nun acto en Pontevedra contra o aumento das peaxes, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou con firmeza o "saqueo á eonomía de Galiza" e advertiu que as nacionalistas non aceptarán o espolio dunhas peaxes abusivas. Pontón pediu ese día que se cancelara a inauguración de hoxe por respecto a todas e todos os usuarios da AP-9, xa que esta ampliación, lembrou, non a pagarán nin Rajoy nin Feijóo nin Pastor, "pagarémola todos e todas as galegas coas peaxes a Audasa". O BNG coninúa a reclamar a transferencia a Galiza da xestión da AP-9 e a rebaixa das peaxes que, segundo os seus cálculos, subiron un 36% desde que goberna Rajoy, catro veces máis co IPC. Durante a súa intervención, Núñez Feijóo, o presidente da Xunta, non fixo referencia algunha á proposta de traspaso das competencias sobre a AP-9, e respecto da demanda de eliminar a peaxe entre Redondela e Vigo afirmou que é "impresicindíbel" unha "reflexión" na comisión que conforman a Xunta e Fomento para atopar "unha solución satisfactoria". Identificados e retidos Nun comunicado emitido pouco antes das cinco da tarde, o BNG denunciou que quince militantes nacionalistas que se achegaron até o lugar do acto de inauguración cunha pancarta (Non á estafa") foron retidos durante máis de media hora e identificados no que o Bloque cualifica como "actuación desproporcionada" da Garda Civil. |
PRAZA_13468 | Boimorto acollerá este domingo a entrega ás súas familias dos restos de tres homes mortos pola represión franquista en 1936. Foron exhumados en 2007 e en abril as probas de ADN confirmaron a súa identidade. Falamos con Xosé Luis Rivas Cruz 'Mini', impulsor do proceso de recuperación, aprobado por unanimidade do Concello en 2005. | O 20 de agosto de 1936 foron asasinados once dos concelleiros da corporación municipal de Boimorto. Fuxiu o alcalde e dous edís. O resto dos representantes elixidos democraticamente foron levados en camións ao Amenal (O Pino) e Ortoño (Ames), seis a cada lugar. Berráronlles "Correde" e disparáronlles polas costas. Once corpos caeron ao chan e alí mesmo foron soterrados, con roupa de domingo. Este domingo 24 de xuño a Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH) entregará ás súas familias os restos de Isidro Filloy López, de 46 anos, Andrés Filloy de 18 e os de Caitán García Vázquez, de 42, que foron exhumados en setembro de 2007, atendendo a un acordo do Concello de Boimorto, iniciativa do BNG e aprobada por unanimidade, para que se localizasen os restos e fosen entregados aos seus descendentes. Unha vez exhumados, os restos foron trasladados a Euskadi, onde foron estudados polo forense Francisco Etxeberría, o experto que máis foxas da represión franquista leva exhumado no Estado Español. O pasado mes de abril as probas xenéticas que levaron a cabo deron resultados positivos: as identidades dos tres esqueletes recuperados corresponden coas dos veciños reclamados polos seus familiares. Xosé Luis Rivas Cruz salienta que "neste concello fíxose algo que debía ser feito en toda Galicia: que todos os partidos votasen a favor de abrir as foxas. E non pasou nada" Xosé Luis Rivas Cruz Mini, impulsor do proceso de recuperación, di que será "un acto moi simple, pois é o acto máis íntimo, a entrega dos restos ás familias, a pena é que non sexan todos". Mini salienta que "neste concello fíxose algo que debía ser feito en toda Galicia: que todos os partidos votasen a favor de abrir as foxas. E non pasou nada, a xente comezou a falar do que pasou, con tranquilidade, e non pasou nada". Non é a memoria o que separa ás dúas Españas, é o esquecemento; o medo non renace coas exhumacións, desaparece con elas. A Agrupación de Familiares das Vítimas do 36 de Boimorto e a ARMH pensan retomar os traballos no Amenal en canto sexan conseguidos os permisos de acceso á finca, na que presumiblemente se encontra a segunda foxa, onde poderían atopárense os restos de Ramón Sánchez Rapela de 34 anos e Ramón Vázquez Garea de 50 anos. "A paisaxe cambiou, cambiaron as referencias, demos moitos paus de cego", di Mini, "pero estamos seguros de que a segunda foxa está moi cerca da primeira, agora só falta que o dono da leira dea o permiso". E conclúe: "Levan máis de setenta anos aí, e non pasa nada porque esperen un pouco máis. O importante non é que vaiamos rápidos ou lentos, pero temos que recuperar os restos desas persoas, porque eran veciños de Boimorto". 20 de agosto de 1936 Mini repite sempre que "aquela Galiza era republicana" Foi Don Emilio, crego local, quen animou os fascistas a que acabasen con aqueles roxos que levaran a educación pública a Boimorto e que se enfrontaran con el, ao crear cemiterios públicos. Dos doce só conseguiu fuxir José Cabanas, que cunha bala na perna (que lle sacaron uns labregos cun fouciño) percorreu corenta quilómetros até regresar á súa casa. Alí viviu emparedado durante quince anos, nos que se intentou suicidar tres veces. A súa dona mandaba os seus fillos xogar á pita cega para que o seu pai puidese tocalos sen que eles o visen. Mini repite sempre que "aquela Galiza era republicana". En lugares como Boimorto a corporación municipal impulsou escolas públicas, asistencia sanitaria, enterros civís..., creáronse sindicatos agrarios cunha afiliación importantísima e unha grande actividade. A guerra matou todo iso, porque para iso se fixo o golpe militar que acabou coa democracia. "Esta xente o que intentaba dende o Concello era facer escolas, mellorar a vida da xente. Chegaron a decidir que todos os meses o Concello dedicaría unha partida mensual de cartos para mercar libros e facer unha biblioteca ambulante por Boimorto. Iso é algo imposible de pensar mesmo hoxe", conta Mini. "Para min estes asasinatos sempre representaron a imposibilidade de poder termos ilusións sociais no rural deste país" "Os mortos e os que quedaron o único que fixeron foi soñar cunha ilusión, cun futuro distinto e esa ilusión foi afogada, matada e dunha maneira moi dura, moi violenta", di Xosé Luís Rivas, e engade: "Para min estes asasinatos sempre representaron a imposibilidade de poder termos ilusións sociais no rural deste país". Porén, engade, "para as familias este acto significa outras cousas. Hai que poñerse na situación das familias, en todo o que pasaron dende agosto de 1936: as ignominias, as marcas, as imposibilidades de acceder a determinados postos de traballo, e sobre todo a gran dúbida. Os asasinos quedaron coa dignidade social e sementaron a dúbida de que os mortos algo farían". E conclúe: "A dignidade nunca a perderon. A súa dignidade é a indignidade dos seus asasinos. Isto non é o final dun proceso, senón que é o comezo. Hai que rematar con ese gran silencio que nos mancou e nos manca". Os cambios de goberno en Santiago e Madrid frearon o proceso de recuperación da memoria soterrada nas foxas, pero Mini lembra que "estamos no noso dereito de buscar pedras, patacas ou restos humanos. Abonda con ir a un xuíz e dicir que aí hai restos humanos, e que cómpre saber de quen son. O país está inzado de foxas, e non che digo nada dos que están no fondo do mar, cunha pedra ao pescozo". |
PRAZA_15287 | Tempo é, desde logo, para tentarse o corpo á procura dos sinais dun shock cidadán do que non se da atopado saída, pero sendo conscientes de que en último termo a defensa das democracias son os cidadáns interesados pola cousa pública, os polités que, segundo recordaba Cotarelo, xa os gregos opoñían aos idiotés que só se ocupan dos seus asuntos privados. | Nun país aqueixado de anemia cultural que bote a andar unha nova iniciativa filosófica ten o seu mérito, pero que ademais o faga nunha cidade como Lugo que en tantos aspectos pareceu deterse no tempo, é case un milagre. Así que son merecidos os parabéns ao colectivo DOXA que organizou este novembro o I Foro de Filosofía na cidade das murallas, e agora a agardar que teña continuidade. Tempo é, desde logo, para tentarse o corpo á procura dos sinais dun shock cidadán do que non se da atopado saída, pero sendo conscientes de que en último termo a defensa das democracias son os cidadáns interesados pola cousa pública O tema deste I Foro de Filosofía de Lugo foi Volver a pensar a democracia, e nel estiveron o catedrático de Ciencias Políticas na UNED Ramón Cotarelo, os profesores galegos de filosofía Moisés Lozano e Carme Adán, e os xornalistas Lois Caeiro, Caetano Díaz e Xosé Luis Gómez. Politica, filosofía, educación e medios de comunicación artellaron unha Xornadas nas que o público fixo honor á condición de foro e houbo intensa participación. Tempo é, desde logo, para tentarse o corpo á procura dos sinais dun shock cidadán do que non se da atopado saída, pero sendo conscientes de que en último termo a defensa das democracias son os cidadáns interesados pola cousa pública, os polités que, segundo recordaba Cotarelo, xa os gregos opoñían aos idiotés que só se ocupan dos seus asuntos privados. Cando por moitos motivos xa fraqueaba a fe cidadá na xustiza, a reforma de Ruiz Gallardón pode supor unha puntilla que estableza distancias definitivamente siderais entre a cidadanía e os pazos de Xustiza Sabemos ben que a historia das democracias está chea de contradicións e mesmo directas traizóns ao ideal, e que contra diso non temos arma mellor que a preservación dos mecanismos básicos dun Estado de dereito, entre os que está o acceso igualitario ao sistema xudicial. Cando por moitos motivos xa fraqueaba a fe cidadá na xustiza, a reforma de Ruiz Gallardón pode supor unha puntilla que estableza distancias definitivamente siderais entre a cidadanía e os pazos de Xustiza; o mérito que si parece que vai acreditar é o de poñer por unha vez de acordo, na súa contra, a asociacións de xuíces e fiscais tanto conservadoras coma progresistas. Remedios filosóficos contra tanto desatino? Necesarios desde logo que son, e pola educación teñen que pasar. Pero temos que insistir aínda nas graves eivas do noso sistema educativo, incapaz realmente de educar, ocupado como moito na mera instrución e no disciplinamento? Tamén é certo que se constata a falta de follas de ruta mesmo por parte das elites intelectuais, que só parecen ser capaces de constituír vectores de resistencia contra un avance de forzas que se amosan imparables (iso que ás veces chamamos mercados, para simplificar), e que para máis dificultade de combate se identifican no imaxinario de moita xente coa modernidade, a novidade, o futuro e cousas semellantes. Faise moi difícil loitar cos papeis tan cambiados, e carecendo das ferramentas conceptuais que se precisan. Descorazona bastante escoitar aos xornalistas presentes no foro (eles, os máis próximos aos novos medios) facer as honras fúnebres do vello periodismo, e confesar que non sabemos cara onde vamos, e que é moi difícil neste pequeno país noso ir a algures fóra da caverna Unhas ferramentas que para moitos parece que poden estar na rede, coas súas novas estruturas non xerárquicas de saber que poderían alterar as estruturas de poder (coas primaveras árabes aínda no retrovisor). Mais descorazona bastante escoitar aos xornalistas presentes no foro (eles, os máis próximos aos novos medios) facer as honras fúnebres do vello periodismo, e confesar que non sabemos cara onde vamos, e que é moi difícil neste pequeno país noso ir a algures fóra da caverna. Así que, de momento, celebrar iniciativas como o Foro de Filosofía de Lugo; e saudar tamén a recente constitución da Red Española de Filosofía, que naceu para defendela dos novos recortes académicos previstos na Ley Orgánica de Mejora de la Calidad Educativa (LOMCE) impulsada polo ministro Wert. Para facer realidade o informe da UNESCO en 2007 titulado A Filosofía, unha escola de liberdade. |
PRAZA_11868 | Mentres en Cataluña dispárase o número de vítimas mortais, en Galicia preocupa o descenso de denuncias e o recorte dos orzamentos en Igualdade | Só no mes de xaneiro sete mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas en España. Cinco delas en Cataluña, das cales ningunha denunciara malos tratos. Na mesma situación atopábanse as tres vítimas de violencia machista que morreron en Galicia en 2011. Por iso non é de estrañar que ás institucións, partidos e asociacións de mulleres o que máis lles preocupe é loitar contra un problema de invisibilidade ao non haber denuncias. "É vital que as mulleres saiban que hai recursos á súa disposición para saír desa situación, coma os centros de información CIM, as casas de acollida, as axudas económicas e os servizos de integración laboral, para que non sexa a dependencia económica o que lles obrigue a seguir á beira do maltratador", explica a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. A crise, o desemprego e a imposibilidade de conseguir outra vivenda para ela e os seus fillos fan que moitas mulleres o pensen antes de falar e iniciar os trámites da denuncia. BNG e PSdeG recoñecen a situación económica como un dos motivos, pero apuntan ás políticas da Xunta como outro culpable. "O Goberno do PP reaccionou de forma contraria a como debía. En lugar de aumentar o persoal formado, as axudas e mellorar os centros de asistencia, paralizou as ferramentas xa existentes. Como a suspensión do proxecto de acompañamento ás vítimas Rodela, unha das primeiras medidas de Feijoó", comenta a portavoz nacionalista Ana Pontón. Pola súa banda, a portavoz desta área no Grupo Parlamentario socialista, Carmen Cajide, destaca o descenso dos orzamentos nesta materia. "É imposible que cos recortes que houbo se manteñan os mesmos servizos. Nos últimos tres anos pasouse de 33,5 millóns a 6,8 en Igualdade". "Aquí -continúa Cajide-, a diferenza de Castilla-La Mancha, non se anuncia o peche das casas de acollida, pero as afoga". "En Galicia vai ser mesmo peor, porque son os concellos os que deben xestionar os CIM e as casas, as súas contas están baixo mínimos e non sei até cando poderán aguantar", explica Rosa Fontaíña, coordinadora e voceira de Rede de mulleres veciñais contra os Malos Tratos de Vigo. Máis casos, pero menos centros O caso da provincia de Pontevedra é especial, xa que é onde máis casos con medidas tutelares se rexistráronse en 2011 (483 fronte aos 478 da Coruña) e non existe unha casa de acollida como tal. "Cambiaron a que había en Vigo polo Centro de Emerxencia. Chegan mulleres de toda Galicia, pero só poden estar tres meses. Despois deben ir a un dos tres que hai en Coruña, ao de Lugo ou ao de Ourense", indica Fontaíña. Segundo datos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, esta lacra cébase en poboacións pequenas xa que o 32,7% das denuncias proveñen de núcleos onde residen menos de 5.500 mulleres maiores de 15 anos. Por este motivo, o BNG ve insuficientes que só haxa 78 centros de información nos 315 concellos que forman o país. "Os CIM sérvense de fondos europeos para sobrevivir e só acórdanse deles cando sobran cartos", engade Verónica Sánchez, vicepresidenta da Asociación Enriqueta Otero de Lugo. "O motivo de que as casa de acollida estean en núcleos urbanos é pola propia seguridade das mulleres, xa que en lugares pequenos sería máis difícil protexer a súa intimidade e nonimato", explica López Abella. A prevención, a materia pendente A pesar dos intentos da Administración por achegarse ás mulleres que sofren esta secuela social, coma o novo servizo xurídico online ou os tradutores para atender ás mulleres estranxeiras, segue quedando pendente a tarefa da prevención. "Estes alicerces son básicos para nós. Hai que lograr unha cultura da Igualdade e facer unha chamada ás vítimas para que non sigan calando esta situación", indica a secretaria xeral de Igualdade. "Aínda existe medo e desconfianza a que non as crean. A campaña de desprestixio sobre as denuncias falsas está facendo moito dano á loita contra a violencia machista", comenta Sánchez. "O PP demostra que a equiparación entre homes e mulleres non é unha prioridade para eles ao relegar órganos como o Instituto da Muller a Servizos Sociais", opina Cajide. "É cuestión de ideoloxía. Moi pouco tardou a ministra de Sanidade en cualificar o primeiro asasinato machista como violencia na contorna familiar", recorda Fontaíña. "As axudas deben servir para facer ás mulleres autónomas, non para relegalas ao papel de coidadoras ou nais, como pretende a Lei de Familia ou as axudas por Dependencia", esixen desde a Asociación Enriqueta Otero. Toca esperar para saber en que consistirá o plan 'personalizado' contra a violencia machista que esta mesma semana anunciou Ana Mato na Comisión de Igualdade no Congreso. Mapa de centros de información CIM |
PRAZA_9555 | Alongar a vida da central de carbón das Pontes, xa innecesaria para atender o consumo eléctrico galego, aumenta a súa pesada herdanza de cambio climático, acumulada ao longo de máis de catro décadas. | O Goberno de Pedro Sánchez presentou o 22 de febreiro a súa proposta de Marco Estratéxico de Enerxía e Clima, xa sen tempo para a aprobar antes das próximas eleccións xerais. Inclúe o chamado Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) 2021-2030, un documento programático que define os obxectivos de redución das emisións de gases de invernadoiro, de expansión das renovábeis e de eficiencia enerxética. Será avaliado pola Comisión Europea e sometido a debate público durante este ano. As principais organizacións ecoloxistas de ámbito estatal demandaron que un dos obxectivos do PNIEC fose o abandono da produción eléctrica en centrais nucleares e de carbón antes do fin de 2025. Diversos estudos sosteñen que tal obxectivo sería viábel a través dunha implementación ambiciosa, pero realista, de accións de promoción das enerxías renovábeis e do aforro e a eficiencia enerxéticas. Un obxectivo partillado no seu día polo Consello Asesor para a Transición Ecolóxica da Economía do PSOE, presidido por Teresa Ribera, agora ministra para a Transición Ecolóxica. As presións exercidas polas grandes eléctricas ou por baróns do propio PSOE (como Valentín G. Formoso, presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes) acabaron por temperar as "veleidades ecoloxistas" do consello asesor do PSOE da oposición. O PNIEC adía 10 anos o apagón nuclear e non pon data de peche obrigatorio ás centrais térmicas de carbón. Serán as eléctricas as que decidirán cando queren pechar as maiores fábricas de cambio climático.A falla de ambición á hora de limitar as emisións -e non só no sector eléctrico- tradúcese nun obxectivo de redución para 2030 de tan só o 20% con respecto a 1990. De se atinxir finalmente este obxectivo, en catro décadas decisivas para determinar o alcance da crise climática que marcará o futuro, un estado desenvolvido como España só terá sido capaz de diminuír nunha quinta parte as súas emisións territoriais de gases causantes de cambio climático. Os nosos fillos e fillas e as xeracións futuras hannos agradecer o que, para Alberto Núñez Feijoó, sería un esforzo "quijotesco". Ademais do obxectivo de redución para 2030, tamén é moi importante a traxectoria a seguir para acadalo, pois diso dependerá o volume de emisións acumuladas até entón. Estas serán menores canto antes se produciren os cortes nas emisións. A aceleración do peche das centrais de carbón diminuiría moito as emisións acumuladas. E que a clausura das centrais de carbón é a medida singular que, de lonxe, posibilita maiores reducións a curto prazo das emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de invernadoiro. Por exemplo, a central das Pontes, a máis potente do Estado español, emitiu de media 7,1 millóns de toneladas anuais de CO2 en 2013-2017. Contribúe ao quentamento global tanto ou máis que algúns estados. En 2016, as emisións de Uruguai procedentes de combustíbeis fósiles ascenderon a 6,9 millóns, segundo o Atlas da Enerxía da AIE. O impacto climático positivo dun ano sen actividade na térmica de carbón das Pontes equivale a un ano con consumo cero de petróleo, carbón e gas natural nun país como Uruguai. Ou a que deixen de circular vehículos en todas as estradas e rúas do noso país durante algo máis dun ano!.Naturgy solicitou o peche da térmica de Meirama e do resto das súas centrais de carbón españolas para antes do 30 de xuño de 2020, ao non querer adaptalas aos límites de emisións impostos pola Directiva de Emisións Industriais (DEI). Endesa solicitou o peche de tres das súas centrais de carbón, e optou por prorrogar alén de 2020 a vida das que opera nas Pontes e en Carboneras (Almería), adaptándoas á DEI que, após catro anos e medio de exención, se lles aplicará a partir de xullo de 2020. Unha adaptación que reducirá emisións tóxicas (SOX, NOX, partículas) pero non as elevadas emisións de CO2 inherentes á queima de carbón. A central das Pontes está entre os 20 maiores focos emisores de CO2 de toda a UE. En 2020, eliminaranse no Estado español perto de 5 GW (xigavatios) de potencia eléctrica con carbón (incluíndo os 0,55 GW da central de Meirama). A partir dese ano seguirán operativas 6 centrais de carbón, que sumarán unha potencia duns 4,5 GW, dos cais 1,47 corresponden á central das Pontes. O PNIEC prevé que toda esa capacidade de produción se manteña até 2025, para despois irse reducindo a 0-1,3 GW en 2030. Non concreta que centrais poderían chegar a sumar eses hipotéticos 1,3 GW, pero ben podería entrar aí de un a tres dos catro grupos que forman a central das Pontes. Nin o borrador do PNIEC nin o da Lei de Cambio Climático fixan un calendario de peche obrigatorio das centrais de carbón. O PNIEC simplemente fai unha previsión do que podería acontecer sen mediar a intervención gobernamental. O Goberno do PSOE optou claramente por lavar as mans nesta cuestión. Era o máis fácil, e o máis agardado, perante as presións procarbón no seo do propio PSOE e as contradicións existentes no espazo dos seus aliados parlamentares de Podemos e as confluencias (con En Marea a porse de perfil). Por non falar do apoio ás "estratéxicas" centrais de carbón por parte da Xunta ou do BNG, que rexeitan o peche da central de Meirama en 2020. O Goberno estatal non pretende impor o fin das centrais de carbón durante a próxima década. Acha que o farán as empresas propietarias, forzadas polo mercado. O PNIEC coida que para 2030, "as centrais térmicas de carbón deixarán de ser competitivas dado o prezo previsto da tonelada de CO2 no sistema europeo de compra venda de emisións, 35 €/t". Un prezo que se mantivo en niveis moi baixos até 2018, cando o prezo medio chegou aos 16 €/t. O Goberno fundamenta a súa previsión sobre o futuro da xeración eléctrica con carbón na evolución dun instrumento europeo de mercado en vigor desde 2005. Ferramenta de loita contra o cambio climático que até hoxe se ten revelado pouco eficaz na desincentivación da queima de carbón, malia ser o combustíbel fósil máis intensivo en emisións de CO2. Coas modificacións recentemente introducidas, semella probábel que o prezo da tonelada de CO2 tenda a aumentar mais, é responsábel deixar en mans dese mercado a "planificación" do abandono do carbón? Non é tan urxente a mitigación da crise climática como para asegurar e acelerar todo o posíbel o desmantelamento das maiores fábricas de cambio climático?. O Goberno confía en que o mercado europeo de emisións e a crecente competitividade das renovábeis obriguen as eléctricas a deixaren de queimar carbón (case) totalmente no horizonte de 2030. Esperábase algo máis dun goberno que di asumir a loita contra a quentamento global como unha prioridade. Cando menos, unha taxa sobre as emisións de CO2 que reforzase o impacto do mercado europeo de emisións, como existe xa nalgúns estados. Mais en materia de "nova fiscalidade verde", a proposta de PNIEC non recolle nin unha soa medida concreta. O Ministerio de Facenda "liderará o estudo en profundidade" e, no seu caso, adoptará cambios no sistema tributario. Máis nada.Alongar a vida da central de carbón das Pontes, xa innecesaria para atender o consumo eléctrico galego, aumenta a súa pesada herdanza de cambio climático, acumulada ao longo de máis de catro décadas. 2030 sería moi tarde para pechala. 2025 sería o ano límite. 2020 debería ser o ano no que pechase xa, polo menos, algún dos seus catro grupos. Hoxe non hai maior irresponsabilidade climática en Galicia que prorrogar a vida dunha industria sucia que xera un desorbitado impacto climático a cambio dunha xeración de emprego e riqueza na súa contorna moi limitada: 80 millóns anuais, a través do pagamento de salarios e da compra de bens e servizos, segundo a propia Endesa. A aplicación a tempo dun adecuado Convenio de Transición Xusta, figura prevista no propio paquete de enerxía e clima do Goberno, podería compensar eses beneficios que tan caros están ser para a vida no noso planeta. |
NOS_20453 | Decidirase cantas persoas poderán reunirse nas tradicionais papatorias. | O comité clínico, que previsibelmente se reunirá a vindeira terza feira, 25 de xaneiro, abordará o protocolo para a celebración do Entroido na Galiza no contexto da vaga de Ómicron, así como o límite de persoas nas comidas con motivo destas festas para "reducir o seu impacto" nos contaxios. Así o explicou esta sexta feira o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en resposta a preguntas dos medios por mor da súa visita oficial ao Hospital comarcal de Valdeorras. "Temos un borrador dese protocolo, que trasladaremos no próximo comité clínico para aprobación se é o caso", afirmou. A respecto desta cuestión, Comesaña incidiu en que a Consellaría está a ultimar este protocolo porque, "malia que o entroido queda lonxe", matizou, "especialmente na área de Ourense desde o 7 de febreiro xa comeza haber algún tipo de actuación". Segundo avanzou, "é un protocolo que incide, sobre todo, no uso dos espazos exteriores, na distancia, a máscara..." e que, abundou, "regula de modo específico as características destas festas tan populares en Ourense". "A idea é que na reunión do comité clínico da terza sexa aprobado e difundido", sostivo. Xuntanzas En relación á limitación de persoas nas comidas tradicionais con motivo do Entroido, o titular de Sanidade lembrou que na actualidade o número que se recomenda é dez, aínda que as persoas expertas valoran agora valorarán se se mantén ou reduce. Neste senso, salientou que se trata dunha medida para "tentar reducir a concentración de persoas nunha contorna tan arriscada como é un xantar", onde se quita a máscara, coa fin de "tratar de reducir o impacto". "Non falamos de eliminalas, mais si de reducir o número de comensais para diminuír a probabilidade de contaxio neses eventos", concluíu. Vacinación de menores de 30 Precisamente na terza feira, coincidindo coa reunión programada do comité clínico, principiará na Galiza a vacinación coa terceira dose das persoas de entre 18 e 29 anos. |
PRAZA_18665 | Antón Corbal realiza, na súa opera prima, un retrato do proceso creativo de Oliver Laxe. O seu documental, Santos#2 Work in Progress, conecta no esencial con outros dous filmes do Panorama Audiovisual Galego, Pedrón do Freixo e El equipo de mi barrio, na reivindicación do local, tamén, coma un xeito de manter a identidade nun tempo arrastrado por unha "modernidade" reprodutora das desigualdades. A etnografía dun personaxe en 'Pedrón do Freixo', de Ángel Cordero 'El equipo de mi barrio' de Rafael de los Arcos ou a loita pola identidade | A etnografía dun personaxe en 'Pedrón do Freixo', de Ángel Cordero 'El equipo de mi barrio' de Rafael de los Arcos ou a loita pola identidade Antón Corbal retrata, en Santos#2 Work in Progress, o proceso creativo de Oliver Laxe. Mais vai máis alá. Todo pasa, neste filme -no que Oliver Laxe volve á casa familiar, nos Ancares, despois de anos vivindo en Marrocos- pola espiritualidade do cotiá. Pola importancia das cousas pequenas. Ao cabo, di o director, do que se trata é de convidar o espectador a frear a súa "vida moderna" e reflexionar un pouco. A devolverse, se cadra, o dereito á calma. É un documental sobre o proceso creativo de Oliver Laxe, rodado no momento en que el volta a Vilela, nos Ancares, para arranxar a casa da súa familia. Como xorde o documental? O documental xorde dunha necesidade de experimentar co formato audiovisual. De filmar o proceso creativo de Oliver sen pretensión e coa única vontade de amosar o momento que se está a producir nese encontro que se deu. A través da figura de Oliver o documental amosa a vida que deixamos atrás en prol da modernidade. "A través da figura de Oliver o documental amosa a vida que deixamos atrás en prol da modernidade" Comeza cunha rolda de prensa da película de Laxe 'Mimosas', na que fala de como rodar o espiritual e da imaxe como misterio. Penso que esta pequena parte adianta un pouco o que vai vir despois... Santos#2 Work in Progess é un exercicio cinematográfico nun momento no que todo o equipo estabamos inmersos nunha procura espiritual. Quizais é moi pretensioso comezar a nosa película cunha frase tan ostentosa porque como Oliver ben di, non é fácil documentar algo tan intanxible como é a espiritualidade. Entendemos que depende do espectador que a película transmita esa espiritualidade, pero a vontade está aí. Vemos despois a Laxe nunha aldea de Marrocos, nas montañas. Despois chega a parte galega, (de Laxe facendo obras na casa familiar, nos Ancares). Nalgún momento, cheguei a confundir as imaxes. A non saber se era Marrocos ou Galicia... Despois de varios meses de rodaxe nos Ancares e o Anti-Atlas descubrimos que nestes lugares nos que a vida redúcese ao básico a xente asemellase independentemente do polo cultural no que se encontren. Se quitamos as superficialidades relixiosas e culturais a esencia é a mesma. Esta premisa xurdiu esporadicamente durante a montaxe da película, pero estivo moi presente durante toda a rodaxe. "Nestes lugares nos que a vida se reduce ao básico, a xente asémellase independentemente do polo cultural no que se encontren" Outra parte das imaxes mostran a Oliver rodando, co seu pequeno equipo, ou despois visionando as imaxes rodadas e supoño que comezando a montalas. A través destas escenas, podemos saber máis sobre o seu proceso creativo. Non querer repetir, por exemplo, a gravación por preferir que se impoña a realidade. Quixeches salientar, nese sentido, algo especial do proceso creativo de Laxe? Non hai plan B, se a realidade se impón, Hamdullah! é unha frase que rexistramos de Oliver e é unha idea que se repite durante a rodaxe. Interesante que sacando o pan, a única vez que intenta rodar de novo unha escena, non hai película na cámara e a realidade imponse de novo. Oliver elixiu esa metáfora filosófica determinística que deixa moi pouca marxe ao libre albedrío para encarar a rodaxe deste humilde proxecto. Entendo que a natureza do proxecto pedíalle traballar desa forma pola falta de película e tempo do que dispoñiamos. Sei que en producións máis industriais o seu enfoque é outro. É unha película que se fai mentres outro cineasta fai unha película. Pero ademais están presentes outras películas: Mimosas, por exemplo. A primeira parte podería ter sido como parte da rodaxe de Mimosas. Logo tamén está presente, dalgunha maneira, a película sobre os incendios que el está preparando agora. É como se estivesen contida nesta película varias películas. Por que? No meu documental escoitámoslle dicir que existen moitas similitudes entre Santos#2 e os seus outros proxectos máis industriais porque a pesar de ser un proxecto moi íntimo, moi de experiencia persoal, reflexa a súa mirada da vida, e que o diálogo entre eles pode ser moi interesante. Hai unha cámara que grava en 16 milímetros. As imaxes do proceso creativo de Laxe altérnanse con imaxes do que Laxe vai rodando. Entón, hai tamén aí un dobre xogo: como a cámara vai captando imaxes que nos remiten ao pasado, ou a algo máis atemporal. Ao mesmo tempo que non nos despegamos do presente. Cal é a proposta da película nese sentido? (É dicir, a nosa relación co tempo). Iso é moi certeiro, a película de Oliver en branco e negro é outra capa de realidade onde o tempo se parou e que serve de ponte de unión para saltar nunha montaxe acronolóxica entre dous espacios (Marrocos-Galicia) e dúas accións do proceso creativo (Rodaxe-Edición). A paisaxe tamén está moi presente. E non é só porque estaba alí. Unha veciña comenta, por exemplo, do momento no que recoñece a Laxe como alguén da comunidade, e el vén de dar un paseo por un sitio que define como precioso. A relación dos humanos coa natureza está moi tratada, de distintas maneiras. Por que? O documental está inspirado no libro Walden de D. Thoreau, que vai vivir ao bosque durante dous anos e escribe sobre a natureza e a vida fóra da sociedade. No meu documental, Oliver encarna o rol deste pensador e como Thoreau entende a natureza coma fonte de espiritualidade. Tamén é un filme sobre a relación de Laxe cos espazos que habita. De feito, en boa parte da peli é o que vemos. A súa presenza. No interior da casa de Marrocos, no exterior da dos Ancares co resto de persoas que lle axudan nas obras. Todo transmite unha idea de calma, (facendo o pan, el di que é o máis sagrado despois de rezar), e tamén de reflexión. Podería lerse case como un convite á calma, a vivir tendo tempo para habitar os lugares (e non pasar rápido por eles). Pode ser así? Entendo que Oliver encontra a súa espiritualidade a través das accións máis cotiáns. Eses momentos son os que dan sentido á vida. No final no meu documental non pasa nada, invítase ao espectador a que free a cachola e reflexione sobre o momento presente. Este é un proxecto moi íntimo, moi persoal, moi humilde, di Laxe tamén nalgún momento, no que di que seguramente "esta peli" terá un diálogo interesante con Mimosas. Mimosas é un achegamento ao misterio, o extraordinario. Que diálogo pensas ti que a túa propia película pode establecer con Mimosas? A miña película intenta amosar o mundo creativo do realizador de Mimosas durante a rodaxe dun proxecto moi humilde. Axúdanos a entender mellor a filosofía de vida detrás do filme e achéganos unha perspectiva completamente diferente de quen é Oliver Laxe. |
NOS_27244 | A AELG inicia unha campaña co gallo do aniversario da autora que "desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal". | A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou este domingo unha homenaxe á figura de Rosalía de Castro no Panteón dos Galegos Ilustres, o acto central dunha semana chea de citas cara ao 24 de febreiro, fixado como aniversario do nacemento da autora galega. Agasallar un libro en galego e unha flor, entre outras moitas iniciativas para recordala. "Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: son muller e son galega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte", sinalou a escritoria Ledicia Costas na lectura do manifesto. "Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: son muller e son galega", sinalou a escritora Ledicia Costas, a cargo do manifesto. A AELG quere reivindicar así a figura de Rosalía que "desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal. A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais". Unha homenaxe que se estenderá os próximos días por todo o país con lecturas públicas da súa obra baixo o lema #RosalíaTe. Unha campaña co gallo do seu aniversario á que se uniron decenas de escolas e concellos galegos. Ledicia Costas reivindica unha Rosalía viva e moderna q clamaria contra a violencia de xénero e a prol do uso do galego #RosaliaTe pic.twitter.com/SVKTzajzOV— Goretti S. Rei (@GorettiSRei) 19 febreiro 2017 |
NOS_11854 | O tempo vaise esgotando e Alcoa debe tomar pronto unha decisión definitiva sobre o futuro da súa planta de San Cibrao, no concello de Cervo e, por extensión, de toda a comarca da Mariña, que hoxe volveu saír á rúa para reivindicar o mantemento da actividade industrial. | Na procura dese futuro para a comarca, e convocados polos sindicatos UGT, CCOO e CIG, milleiros de persoas marcharon polas rúas de Burela baixo o lema "Polo futuro para A Mariña. Industria, infraestruturas e sanidade". Esta nova mobilización serviu para que a veciñanza da comarca da Mariña apoiasen os centos de traballadores da factoría da multinacional americana en Cervo antes de que Alcoa dite definitivamente o seu veredicto para a planta de alúmina, da que dependen 534 traballadores e as súas familias. Este 25 de xuño é a data elixida pola empresa para facer efectivo o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) e dar por finalizado o proceso formal de consulta. Na última xuntanza entre empresa e traballadores, Alcoa fechou a porta a calquera alternativa que non sexa o feche da factoría, escudándose na falta dun marco regulatorio e unhas condicións de acceso á enerxía competitivas para as industrias electrointensivas. O persoal da fábrica de San Cibrao, pola súa banda, insiste na vía da intervención da factoría por parte do Goberno estatal e na procura de posíbeis grupos interesados na adquisición da mesma, pero Alcoa non parece estar polo labor de deixar o camiño libre a un posíbel competidor, que quedaría coa única factoría de aluminio primario que queda no Estado español. A CIG denunciou a pasividade dos Gobernos español e galego que "seguen sen pór en marcha as medidas necesarias para garantir a continuidade dos empregos e da actividade produtiva no complexo de San Cibrao". Fondo de reserva e estatuto electrointensivo Hoxe pola maña, horas antes da mobilización, a ministra de Industria, Reyes Maroto, anunciou que mañá levaría ao Consello de Ministras a creación do Fondo de Reserva de Garantía para a industria electrointensiva, dotado con 200 millóns de euros anuais, que permitirá acompañar o desenvolvemento dos contratos de compra e venda de electricidade a longo prazo, coñecidos como PPA, con plantas de xeración renovábel. Tamén anunciou que o estatuto electrointensivo vaise aprobar "nas próximas semanas" para dar seguridade ao sector. |
NOS_22316 | As eleccións sindicais na empresa, suspendidas pola pandemia da Covid-19, están a ser polémicas pola denuncia de represión sindical con chamadas e despedimentos como medidas de presión. | A empresa Novafrigsa, unha das máis representativas nas comarcas de Lugo no sector da industria cárnica e que forma parte do grupo Coren, semella non esquecer que as denuncias sindicais conseguiron demostrar diante a xustiza que estaba a aproveitarse da figura de falsas autónomas e autónomos para incrementar os seus beneficios e diminuír os dereitos laborais dese persoal. A poucas horas de que teñan lugar as eleccións para a renovación completa do comité no matadoiro após ter que suspenderse polas condicións sanitarias da pandemia da Covid-19, as centrais sindicais CIG e USTG denuncian prácticas antisindicais contra as persoas que forman parte das súas candidaturas. Ameazas e despedimentos como medida de presión Despedimentos preventivos, ameazas de despedimento, cambios de posto de traballo sen xustificación, presión na carga de traballo ou continuas visitas ás oficinas dos encargados son algunhas das prácticas de presión que sinalan a importancia dunha votación na que se escollerá un comité de 13 membros no que entra en xogo, tamén, o Grupo Independente de Traballadores, única organización que desde que a empresa asumiu o persoal falso autónomo apoia o atraso no pagamento dos salarios, superando a reivindicación para o pago mensual e discriminando o persoal de Lugo con respecto a outros centros do grupo. Coa regularización das persoas que traballaban como falsos autónomos a cifra de operarias e operarios chegaría a ser de 350. Practica antisindical obvia para a CIG e a USTG O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López Carmona, e o secretario provincial de USTG, Manuel Expósito López, lembran nun comunicado que o conflito das falsas autónomas e autónomos non se resolveu e a empresa négase a recoñecerlles a antigüidade real polo que asegura que viven unha "persecución" para que "gañe a listaxe amarela" e por ese motivo "están a actuar a través dos encargados e adxuntos á dirección ameazando o persoal doutras candidaturas e, do mesmo xeito, empregando condutas claramente antisindicais e contrarias á defensa dos intereses do persoal". Desde ambos sindicatos aseguran que ademais de denegar dereitos laborais, a empresa tamén ten unha práctica antisindical que consideran "obvia". Explican que nos últimos meses, está chamando de maneira sistemática os traballadores e as traballadoras que participan nas listas da CIG e da USTG para que desistan de ir ou, de maneira alternativa, para que se sumen ás candidaturas amarelas do "grupo de traballadores", que, alerta López Carmona, están controladas pola empresa e das que forman parte persoas, segundo afirman, ás que lles unen mesmo vínculos familiares á empresa. Diante desta situación, ambas centrais sindicais exixen o cese inmediato do que consideran unha "persecución" e denuncian a falsa imaxe "de gran familia" que vende o Grupo Coren cando despois actúa desta maneira antes dunha xornada electoral tan importante na empresa e que terá lugar no matadoiro este 9 de outubro. |
NOS_44353 | Con posterioridade ao accidente estabelecéronse na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias diferentes circuítos de redistribución das chamadas para evitar as colas na entrada e na asignación de chamadas ao persoal sanitario. | O 061 tardou sete minutos en coller unha chamada procedente do centro de Fisterra de Salvamento Marítimo para informar do traslado ao hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo, dun mariñeiro do 'Novo Cristo da Laxe', quen sufriu un golpe na cabeza e unha caída á auga ao sur da illa de Ons. O tripulante, de 24 anos, acabou falecendo por mor deste sinistro ocorrido o 22 de outubro de 2019. Así se recolle no informe que acaba de publicar a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) —dependente do Ministerio de Transportes—, no que se apunta que "se produciu un atraso de aproximadamente dous minutos na asistencia médica ao tripulante accidentado no hospital Álvaro Cunqueiro, non sendo posíbel valorar se devandito atraso tivo incidencia no desenlace do accidente". Contra as 21.40 horas daquel día, o buque 'Novo Cristo da Laxe', con sete tripulantes a bordo, realizou un lance nas proximidades de Ons. "A piques de finalizar a manobra de largado da arte, o mariñeiro encargado de vixiar a saída dos aneis da xareta enredouse o pé nun cabo da arte, sendo arrastrado pola cuberta e golpeándose a cabeza antes de caer á auga". Así, o patrón solicitou axuda a Salvamento Marítimo e pesqueiros da zona. Un dos mariñeiros botouse á auga para tentar rescatar ao seu compañeiro. Ao non aparecer, izouse o aparello e atopou o tripulante accidentado enganchado nas redes, logo de pasar un cinco minutos na auga. De tal forma, subiuse ao tripulante a cuberta, "cunha ferida na fronte, malia que aínda tiña pulso". Os seus compañeiros tapárono cunha manta, á vez que lle realizaban por quendas as manobras de reanimación cardiorrespiratoria. Relato dos feitos A partir de aí, segundo o relato dos feitos, o centro de coordinación de Fisterra de Salvamento mobilizou ás 21.44 horas o helicóptero 'Pesca 1'. Ás 21.47 horas tamén se avisou ao 061 da emerxencia, que indicou que, "unha vez realizada a evacuación, trasladasen ao tripulante ao heliporto do hospital Álvaro Cunqueiro (Vigo)". Ás 22.24 horas, o 'Pesca 1' daba conta de que o tripulante se atopaba a bordo e que se dirixía cara ao hospital mentres lle practicaban unha RCP. Neste punto, o informe recolle que, ás 22.30 horas, o centro de Salvamento de Fisterra, "após unha espera de sete minutos, conseguiu informar a Urxencias Sanitarias da Galiza 061, da hora prevista de chegada ao hospital" do helicóptero. Ás 22.33 horas, o 'Pesca 1' aterrou no heliporto, "pero non había persoal sanitario para efectuar o traslado do tripulante". Por iso, o centro de coordinación de Salvamento "chamou novamente" ao 061. "Aproximadamente dous minutos após a aterraxe" do 'Pesca 1', "o persoal sanitario chegou ao heliporto e após 20 minutos de manobras de reanimación avanzada no devandito centro hospitalario certificouse o falecemento do tripulante". Segundo a investigación, "este atraso aponse a que a chamada" ao servizo de Urxencias Sanitarias "demorouse 7 minutos en ser atendida por persoal sanitario do 061". De acordo cun informe emitido pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias da Galiza 061, "con posterioridade ao accidente estabelecéronse na Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias diferentes circuítos de redistribución das chamadas para evitar as colas na entrada e na asignación de chamadas ao persoal sanitario", asegura o documento da Ciaim. Desta maneira, "90% das chamadas ao 061 aténdense en menos de tres segundos". Tamén con posterioridade ao accidente "revisouse o procedemento de recollida de pacientes da helisuperficie do hospital Álvaro Cunqueiro, e difundiuse entre o persoal interviniente". |
NOS_45098 | O Concello de Cambre quere homenaxear a un dos seus veciños máis ilustres, o cantautor Miro Casabella. Será a finais de xullo, dentro do festival da canción de autor Corazón e Bravura. | Este festival, que aspira a consolidarse e toma o nome dunha das letras compostas por Casabella, terá lugar ao longo de catro días desde a cuarta feria 26 até o sábado 29 de xullo, con diferentes actividades arredor da figura de Casabella. E o día grande, o sábado, terá lugar un concerto gratuíto no anfiteatro do Parque da Igrexa de Cambre, onde ademais do propio autor estará con el un vello amigo, Paco Ibáñez, unha das referencias españolas no mundo da canción de autor, ademais de compañeiro e amigo do homenaxeado desde os tempos da dictadura fanquista. Este festival, que aspira a consolidarse e toma o nome dunha das letras compostas por Casabella, terá lugar ao longo de catro días desde a cuarta feria 26 até o sábado 29 de xullo Miro Casabella (Ferreira do Valadouro, 1946) é unha das referenzas da canción protesta galega. Uniuse a este fenómeno xa en Cataluña, acompañando a cantantes da Nova Cançó, e alí gravou os seus primeiros discos a finais dos sesenta. En 1968 uniuse ao grupo Voces Ceibes, aínda que non duraría moito porque seguiu a vivir en Barcelona. A finais dos 70 únese ao grupo folk Doa, pero a súa colaboración non vai máis alá do seu primeiro disco. Publicou o seu último disco, 'Orballo', en 2004. |
NOS_9333 | Será a quinta e sexta feira, 2 e 3 de novembro. | CIG-Saúde mantén a convocatoria de greve para os días 2 e 3 de novembro. A central non se suma á sinatura do acordo do Sergas coas organizacións sindicais da plataforma porque "simplemente non se solucionou ningún conflito". O sindicato entende que a proposta presentada polo Sergas sobre carreira profesional deixa máis dúbidas que certezas e denuncia que, en todo caso, non se recupera ningún dos acordos suspendidos. CIG fai tamén un chamamento a participar na concentración convocada para o día 2 de novembro, ás 11:00 horas, diante da consellaría de Sanidade, en San Lázaro. A proposta sobre carreira profesional vai incrementar as diferenzas salariais existentes entre profesionais do mesmo colectivo, segundo a CIG, que advirte de todos os aspectos que quedan no aire: "Non sabemos canto vai ser a contía dos graos desta carreira, non temos ningunha garantía de que, como mínimo, sexan iguais aos da carreira extraordinaria". Tamén asegura que non se sabe cantos anos de antigüidade se van solicitar para cada grao, nin a permanencia nun grao para progresar ao seguinte. Ademais, denuncia que non hai compromiso firme de cobrar no ano 2019, porque vai depender da dispoñibilidade orzamentaria. Á marxe da carreira profesional o Sergas non contempla a recuperación de ningún dos outros acordos suspendidos porque "Feijóo non permite que se cumpra ningún acordo asinado durante o goberno bipartito, esquecendo que as organizacións sindicais asinamos acordos coa administración e non co partido político do goberno", denuncia. Para a CIG-Saúde as reivindicacións sindicais seguen pois plenamente vixentes. "Somos conscientes de que a realidade mudou co acordo do SERGAS coas organizacións sindicais CCOO, UGT, CSIF, SATSE, SAE e CESM-OMEGA, pero as razóns que nos levaron a convocar a folga persisten", aclara. |
PRAZA_6070 | A graça da contabilizaçom dos excedentes eléctricos em Espanha reside em que as empresas eléctricas proprietárias das instalaçons galegas tenhem sede em Madrid por cujo motivo lhes som imputadas a quase totalidade das exportaçons do sistema eléctrico galego. | Linhas de força da Galiza-Sul (3): De como o rio Manzanares se disfarçou de galego para lhe cobrar a Portugal a factura eléctrica. Desculpade a burla que serve de subtítulo esta nova ficha de umha linha de força mais do campo gravitacional que conecta Galiza com Portugal. Espero que acabedes julgando-a merecida e mesmo benévola de mais. Falamos das trocas eléctricas da Galiza com Portugal. Galiza exportou nesse ano 7.034 GWh com destino a Portugal além de 1.880 GWh adicionais netos enviados ao resto de Espanha, sobre umha produçom eléctrica de 28.918 GWh Levo anos redigindo a crónica industrial inserta no Anuário Económico que publica o CIEF da extinta Fundaçom Caixa Galicia. Está para sair nestes momentos o seu número vinte e oito consecutivo. Na crónica, sob a minha responsabilidade, nunca esqueço analisar um traço altamente característico do sistema eléctrico galego: a sua forte componente exportadora. Segundo os dados fornecidos pola operadora do sistema eléctrico espanhol, a REE, para 2012, Galiza exportou nesse ano 7.034 GWh com destino a Portugal além de 1.880 GWh adicionais netos enviados ao resto de Espanha, sobre umha produçom eléctrica de 28.918 GWh. A produçom eléctrica espanhola no ano 2012 ascendeu aos 278.049 GWh, cumhas exportaçons totais de 11.200 GWh, 7.034 GWh das quais de procedência galega e destino Portugal. Corolário 1º: a Galiza exporta 31% da sua produçom eléctrica, e a destina a Portugal. Espanha, exporta apenas 4 % da sua produçom. Corolário 2º: Galiza fornece 80% das exportaçons eléctricas de Espanha. A Comunidade de Madrid é, por certo, um voraz sumidouro eléctrico que absorve cada ano o equivalente à totalidade da produçom eléctrica galega. O seu consumo alcaçou os 28.943 GWh em 2012 As empresas eléctricas proprietárias das instalaçons galegas tenhem sede em Madrid por cujo motivo lhes som imputadas a quase totalidade das exportaçons do sistema eléctrico galego A graça da contabilizaçom dos excedentes eléctricos em Espanha reside em que as empresas eléctricas proprietárias das instalaçons galegas tenhem sede em Madrid por cujo motivo lhes som imputadas a quase totalidade das exportaçons do sistema eléctrico galego. Numha espécie de metáfora energética política, a bulimia capitalina transmuta-se por obra e graça da estatística (a etimologia da palavra aponta claramente à sua raiz estatal) de recadadora impenitente e insaciável em magnánima provedora de todo bem. Destarte, a carenciada comunidade madrilena devém campeã do quilovátio. As estatísticas oficiais do comércio externo confirmam tam peregrina imputaçom, como é possível comprovar, atribuindo à comunidade madrilena as exportaçons eléctricas com destino a Portugal, por valor de 208,5 milhons de euros (81,3 % do total) contra apenas 0,7 milhons imputados à Galiza. A Galiza é irrelevante nas estatísticas oficiais de comércio eléctrico exterior. A realidade adoita mascarar-se ou distorcer-se por causa dos padrons interpretativos em uso, a maioria com dono conhecido A realidade adoita mascarar-se ou distorcer-se por causa dos padrons interpretativos em uso, a maioria com dono conhecido. Pensemos nas estatísticas, nos tratamentos jornalísticos, nos paradigmas académicos. A superposiçom de categorias técnicas (produçom e distribuiçom) e institucionais (sede corporativa, e regime de propriedade) produz, desta maneira, resultados tam chocantes como este capaz de transmutar umha mercadoria estritamente galega em admirável exibiçom de poderio corporativo centralista. CC.AA. Exportaçons Madrid 208,48 Cataluña 13,8 País Vasco 9,13 Andalucía 8,45 Castilla y León 7,25 Aragón 4,04 Asturias 1,26 La Rioja 1,16 Extremadura 0,95 Cantabria 0,89 Galicia 0,67 Resto 0,44 Milhons de euros 256,52 Exportaçons de energia eléctrica Espanha-Portugal em 2012 Umha linha de força que liga Galiza com Portugal devém por obra e graça da imputaçom estatística atributo económico indiscutível desse território extra regio que chamamos Madrid. O velho solar galaico, tantas vezes mascarado polo jogo de espelhos dos Estados peninsulares assiste sem se importar a tam admirável escamoteio O velho solar galaico, tantas vezes mascarado polo jogo de espelhos dos Estados peninsulares assiste sem se importar a tam admirável escamoteio. Mas, reparemos, o fenómeno comporta um impacto tributário adverso para Galiza que qualquer modelo de federalismo fiscal deverá abordar e devemos exigir. Também haverá de considerar-se o impacto económico e ambiental que a geraçom eléctrica provoca e permite transmutar em impolutos lucros atribuídos às sedes corporativas centrais os custos da degradaçom ambiental que Galiza suporta. |
NOS_34756 | O alcalde e os outros cinco concelleiros do PP en Oia ameazaran en febreiro con se dar de baixa no partido conservador se goberno central e autonómico non solucionaban o problema | Continúa o órdago en Oia. Alcalde e concelleiros do PP manteñen o pulso e reafirmaron que non realizarán ningún pleno no concello mentres os gobernos galego e español non resolveren en sentido positivo o calote das preferentes. Destarte, con esta iniciativa o Concello quer mostrar a súa solidariedade cos afectados, que son centos nesta vila pontevedresa. Esta suspensión das sesións comeza desde esta mesma semana e afecta os plenos nos que se ían debater os orzamentos municipais O grupo municipal do PP de Oia, que detén a Alcaldía deste concello pontevedrés con Alejandro Rodríguez á fronte, remitiu en febreiro senllas cartas a Xunta e executivo central en que lles solicitan un cambio de posición a respeito do calote das preferentes. Rexedor e concelleir@s populares en Oia trasladaron a Feijóo e Rajoy o seu malestar co tratamento que se dá a un problema que afecta a milleiros de galeg@s (e non poucos veciños en Oia). Rodríguez e os edís populares entenden que nin goberno autonómico nin central están a facer o preciso. O propio alcalde de Oia afirmou daquela que se non había "resposta satisfactoria", el e o resto dos e das concelleiras do grupo de goberno, actualmente no PP, pasarían ao grupo mixto. |
PRAZA_20472 | O CSIF denunciara a intención do Goberno galego de converter o seu persoal laboral en interino para aforrarse despedimentos, pero esta decisión ameazaría esa posibilidade, salienta o sindicato | O CSIF denunciara a intención do Goberno galego de converter o seu persoal laboral en interino para aforrarse despedimentos, pero esta decisión ameazaría esa posibilidade, salienta o sindicato O xulgado do Contencioso Administrativo número 2 da Coruña vén emitir unha sentenza na que recoñece a un funcionario interino unha indemnización tras o seu cesamento de 20 días por ano traballado, similar á que corresponde a un despedimento por causas obxectivas. O CSIF, que vén de divulgar a sentenza, salienta que é a primeira que recoñece ese dereito aos interinos, despois de varias que xa o recoñeceran ao persoal laboral. O sindicato tamén salienta que esta decisión ameaza o plan da Xunta de converter o seu persoal laboral en funcionarios interinos para así evitar o aboamento de indemnizacións ao prescindir deles. Segundo salienta o CSIF, ata o momento os tribunais só se pronunciaran a favor do persoal laboral das administracións, pero aínda non recoñeceran o mesmo dereito a indemnización dos funcionarios interinos ("funcionarios que por razóns de necesidade e urxencia son nomeados para cubrir prazas vacantes, realizar substitucións ou afrontar exceso de tarefas ou programas, como ocorre en ámbitos como o ensino, a xustiza ou a sanidade"). Agora, o xulgado da Coruña recoñece a este docente a indemnización de 20 días por ano traballado. O sindicato salienta que só en xuño foron cesadas en toda España 51.487 persoas Segundo o CSIF, "esta sentenza abre a porta a miles de reclamacións, por exemplo, de profesores interinos que son cesados durante os meses de verán para reincorporarse en setembro". O sindicato salienta que en toda España "só no mes de xuño foron cesadas 51.487 persoas, a cifra máis alta dos últimos nove anos". O sindicato de funcionarios salienta tamén as repercusións que esta sentenza podería ter en Galicia. O CSIF xa alertara de que a Xunta, a través da lei de acompañamento dos orzamentos, modificara a lei de emprego público para a progresiva "transformación en postos de traballo de natureza funcionarial de aqueles postos vacantes que viñan sendo desempeñados por persoal laboral temporal", o que segundo o sindicato lle permite "converter en funcionarios interinos ao persoal laboral temporal para evitar así o pagamento de indemnizacións no caso de despedimento ou de amortización dos postos de traballo". Porén, con esta nova sentenza o Goberno galego non podería aforrarse esas indemnizacións xa que terían dereito ás mesmas tanto o persoal laboral como os funcionarios interinos cesados. |
NOS_28338 | O fechamento das fronteiras terrestres entre a Galiza e Portugal está a causar un gran malestar entre as traballadoras e os traballadores fronteirizos que teñen que gastar máis tempo e diñeiro para poder chegar aos seus empregos do outro lado da raia. Veciñanza e alcaldías dos dous lados do Miño contan a 'Nós Diario' os problemas que se volven repetir despois do fechamento de fronteiras que xa se dera durante a primeira vaga da pandemia. | Como xa acontecera durante o primeiro estado de alarma, o fechamento de fronteiras entre os Estados español e portugués decretado o pasado 31 de xaneiro volve causar problemas ás máis de 6.000 veciñas e veciños que teñen que cruzar a raia para poder acudir aos seus postos de traballo. Despois das actualizacións desta fin de semana, cinco pasos entre a Galiza e Portugal cobren o 50% do tráfico total entre ambos os Estados: Tui-Valença, Verín-Vila Verde da Raia (Chaves), Salvaterra-Monção, Arbo-Melgaço e Baltar-Montealegre. Os dous primeiros permanecen abertos as 24 horas do día, mentres que nos tres últimos só se permite o paso en horario de 7 a 10 e de 18 a 21 horas (no caso do paso de Baltar o horario de tarde é de 17 a 20 horas). Un horario que "non cobre a demanda real das e dos traballadores fronteirizos da zona", indica a este xornal a rexedora de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel (PP). Un exemplo disto atopámolo en Alfredo Ignacio Amorín, veciño de Salvaterra que traballa como fresador na empresa Gestamp en Vilanova de Cerveira na quenda de noite. O que antes para el supuña media hora de traxecto para poder chegar ao seu posto de traballo, até a pasada semana sumaba practicamente o duplo, unha hora. "Ás 23 horas non hai apenas tráfico na ponte de Tui, mais á hora de saída, pasadas as 7 da mañá, o atasco é importante porque somos moitos os traballadores que volvemos á Galiza", sinala en declaracións a Nós Diario. O reducido horario de apertura que teñen as pontes de Salvaterra e Arbo impide a súa utilización aos traballadores que non contan coa fortuna de que o seu horario se poida adaptar ao estabelecido. "As alcaldesas e os alcaldes e presidentes das Cámaras volvemos estar decepcionados porque nin Madrid nin Lisboa están a ter en conta a veciñanza, os Gobernos locais e moito menos as traballadoras fronteirizas, que son as que levan o peso íntegro desta pandemia porque non queren pór máis efectivos para controlar as fronteiras", sinala Valcárcel, rexedora do Partido Popular (PP). Sobre este mesmo feito reflexiona o doutor José Muras, veciño de Tomiño, que, ao non estar aberto o paso con Cerveira –a quinta ponte con más tráfico de vehículos das 64 que hai entre os Estados– ten que trasladarse até a de Tui e, sumando ao tempo que poida haber de retencións, gasta case unha hora e media en cada viaxe, fronte aos anteriores 35 minutos que tardaba en trasladarse até Póvoa de Varzim (Porto). "Non entendo por que non trasladan efectivos da ponte de Tui á de Tomiño, en algúns casos vexo que dos 10 axentes que hai, catro son os responsábeis de pedir a documentación e outros seis están a ollar para os coches", relata en declaracións a Nós Diario. "Como doutor son o primeiro en querer controlar esta pandemia, pero non a costa do noso tempo, á miña xornada laboral teño que sumar tres horas de traslados que me supoñen un trastorno moi grande no día a día", sinala Muras. Esta mesma opinión ten o director do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) e presidente da cámara de Vilanova de Cerveira, João Fernando Brito Nogueira, que tacha de incomprensíbel "que o Estado diga que é moi cara a apertura de todos os pasos". "Moito máis caro resulta para as milleiras de traballadoras que teñen que desprazarse ducias de quilómetros a máis para poder chegar aos seus traballos", sinala. O presidente da Cámara explica que Vilanova de Cerveira conta cun polígono industrial con empresas moi ligadas ás galegas. "Neste polígono calculamos que hai sobre 4.300 traballadores, dos que máis de 1.000 veñen desde a Galiza", asegura Brito Nogueira en conversa telefónica con Nós Diario. "Temos que facer entender aos Gobernos que só neste lugar creamos 700 millóns de euros en exportacións e este fechamento de fronteiras supón un gran problema para a economía luso-galaica", conclúe. Novas accións É por iso que despois de que na pasada fin de semana o Ministerio da Administración Interna do Goberno luso só engadira como novidade a apertura parcial das pontes Arbo-Melgaço e Baltar-Montealegre e a ampliación de horario do paso de Salvaterra, as 26 alcaldesas e alcaldes galegos e presidentes de cámara portugueses da AECT reuníronse para elaborar unha serie de accións de protesta en prol "da defensa dos intereses das traballadoras e dos traballadores transfronteirizos e de transporte de mercadorías afectados polo calvario diario de afunilamento no paso de Tui-Valença", expón o vicedirector da AECT e deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, o nacionalista Uxío Benítez. Para as máis de 6.000 traballadoras fronteirizas afectadas a AECT Río Miño pediu que os Estados arbitrasen unha serie de axudas que compensen o maior gasto económico que están a sufrir, "xa que non se poden compensar os problemas psicolóxicos", afirmaba, en declaracións a este medio Benítez. O agrupamento está a realizar un novo estudo –xa se fixera un no mes de maio– no que recolle máis casuísticas "con nomes, profesións e contextos" das traballadoras afectadas polo fechamento de fronteiras e o impacto económico que este feito está a xerar. "Cando o teñamos listo queremos envialo ás autoridades pertinentes para que sexan máis conscientes do problema que causa o fechamento", indica Benítez. Esta problemática tamén será elevada á Comisión Europea, por ser a do Miño a fronteira "máis dinámica de toda Europa" e cun "fechamento que non se dá noutros territorios". Por iso, o agrupamento solicitará axuda á Unión Europea para que "interceda ante ambos os Estados". Ademais, están a preparar unha serie de actos simbólicos para dar visibilidade á situación. O vicedirector recalcou que "queremos a apertura permanente de todos os pasos, cos controis sanitarios necesarios e só para as persoas que están autorizadas, non queremos que pase ninguén máis que non debe", concluíu. |
PRAZA_10456 | O vello Xeral pechou o 31 de xaneiro de 2011 e durante anos estivo a degradarse mentres algunhas das súas partes comezaban a caer. Segundo o proxecto presentado como definitivo cando o vello hospital levaba seis anos pechado, o primeiro que se instalará na vella residencia será un centro de saúde no antigo edificio do Materno Infantil | O barrio da Residencia de Lugo debe o seu nome a que en 1957 abriu alí as súas portas a Residencia Sanitaria Hermanos Pedrosa, xermolo do que os seguintes 54 anos foi o principal centro sanitario lucense, o núcleo do complexo hospitalario Xeral-Calde. O vello Xeral despediu os seus derradeiros pacientes o 31 de xaneiro de 2011 e no barrio estendeuse o temor do abandono mentres os negocios que durante décadas estiveran ligados ao centro hospitalario ollaban cara ao novo e afastado Hospital Lucus Augusti. O vello Xeral pechou o 31 de xaneiro de 2011 e durante anos estivo a degradarse mentres algunhas das súas partes comezaban a caerMentres isto sucedía, dende a Xunta asegurábase que a Residencia non ía quedar esquecida. O complexo, anunciara daquela, ía seguir tendo uso sociosanitario -como estipulaba a normativa urbanística e na liña das condicións polas que o Estado cedera o edificio principal á Xunta no marco das transferencias sanitarias- e ademais o PP local propuña que o módulo de hospitalización se convertese na nova comisaría da Policía Nacional na cidade.Os anos foron pasando e tamén fixeron o propio as propostas para a vella Residencia, literalmente a caer mentres dende a Xunta se admitía que o antigo Xeral era xa un "edificio enfermo" que habería que derrubar. Esa derruba foi inaugurada, na súa parte mecánica, polo propio presidente da Xunta. No marco do aluvión de visitas e inauguracións que Alberto Núñez Feijóo emprendeu dende poucos días despois das eleccións municipais, este martes acudiu á capital lucense para presenciar os primeiros traballos da maquinaria na demolición e "destacar os avances" do plan para a residencia que o seu Goberno presentou dúas veces o pasado 2017.Segundo o proxecto presentado como definitivo cando o vello hospital levaba seis anos pechado, o primeiro que se instalará na vella residencia será un centro de saúde no antigo edificio do Materno InfantilSegundo o proxecto presentado como definitivo, o primeiro que se instalará na vella residencia será un centro de saúde no antigo edificio do Materno Infantil, menos deteriorado que o do Xeral. Alí tamén se instalará o Punto de Atención Continuada que Implicará o peche do que funciona actualmente no barrio de Fingoi. O Goberno galego, avanza Feijóo, disponse a contratar a construción dese centro esta semana mentres comeza o derrubamento do vello Xeral, que se estenderá ata o outono. "Boa parte do espazo" que fique baleiro "será ocupado pola residencia de maiores" que a Xunta "prevé" comezar a construír "na primeira metade" de 2020.Os bosquexos amosados pola Xunta en anteriores presentacións deste mesmo proxecto contemplan tamén construír un "centro de emprendemento" e a devandita comisaría que, en última instancia, dependería de que o Ministerio do Interior a considerase oportuna. O acto deste 25 de xuño, ao que tamén asistiu a alcaldesa da cidade, Lara Méndez, chega despois de que o pasado setembro o Concello lucense revelase que a Xunta anulara un dos acordos clave para a prometida remodelación do vello Xeral e optara por non facelo público. O Goberno galego asegurara que esa anulación fora unha cuestión estritamente burocrática e acusara o Concello de "entorpecer" o proxecto |
PRAZA_5584 | Non estou, pois, a falar de "unión de esquerdas"; senón de unión dos que "están na mesma familia" (o que implica superar o síndrome Sanromá); isto é, dos que teñen o mesmo programa e están dispostos a levalo a cabo | Alá por xaneiro de 1979, no seu número 28 a revista El Viejo Topo (na súa "primeira época") iniciaba "unha serie de conversas que (tiña) por obxecto dar un rápido repaso en directo ás principais formacións políticas e ideolóxicas situadas 'á esquerda da esquerda' (é dicir, á esquerda do PCE)". As conversas foron cos líderes dos máis importantes partidos dese espectro político. Non se trata de facer un repaso nin un recordatorio nostálxico do que se puido ler; ademais, de feito, case ningún partido deses permanece "vivo" actualmente; algún "re-nacido" e outros máis ou menos convertidos noutro tipo de organizacións, cando non simplemente desaparecidos. Para os que non estabamos daquela nin na ORT nin no PTE, estes eran partidos xemelgos. Naturalmente, iso non era así para os membros desas dúas organizacións Do que se trata é de facer memoria por se ten algo de proveito o que entón se dicía; e estou seguro que moito de proveito se dixo en moitas das entrevistas. Pero o que me interese, neste caso, é algo que puidese semellar máis "anecdótico" e "breve" e "menos relevante de contido", pero que penso tamén que pode ser moi ilustrador e de proveito para o día de hoxe. Trátase da entrevista ao daquela líder da ORT, José Sanromá, e dunha frase (pouco máis) en concreto. Como contexto cómpre ter en conta dúas cousas: a primeira, que a revista era mensual e que a entrevista formaba parte, xa o dixemos, dun proxecto ao longo de bastantes números e, polo tanto, que esa conversa puido realizarse con bastante antelación; polo menos, especulamos, cun mínimo dun mes de antelación. E a segunda cousa a ter en conta, que moito ten que ver co que imos referirnos das palabras de José Sanromá, que, para os que non estabamos daquela nin na ORT nin no PTE, estes eran partidos xemelgos. Naturalmente, iso non era así para os membros desas dúas organizacións. Non vou entrar en se desde fóra se vía máis ou menos semellanza entre as demais organizacións, pero penso non estar equivocado ao considerar que entre outras as diferenzas teóricas eran máis manifestas e localizábeis desde "dentro e desde fóra". Por exemplo, entre LCR e MC, entre CNT e EIA, entre UPG e PCE m-l; e entre todos estes. Naturalmente, tamén, entre outros, os distingos non eran tan notorios e, de feito, chegaron a producirse procesos de fusión entre eles. Aparentemente, con éxito todas as fusións, agás a realizada entre o MC e a LCR, pero esta realizada bastantes anos despois e en situación política "complicada". Naqueles anos ninguén apostaría por unha fusión entre MC e LCR, pois "pertencían" a "ámbitos políticos" que se recoñecían ben distantes (maoísmo e trotskismo). Non era o caso de PTE e ORT que, para "todos" (os que non militaban nin no PTE nin na ORT), era unha idea común que formaban parte da mesma "familia". Pero xa se sabe, os litixios "de familia" son "os peores", como ben sabemos por todos os tempos e tamén polos tempos presentes. Xa se sabe, os litixios "de familia" son "os peores", como ben sabemos por todos os tempos e tamén polos tempos presentes Ao líder do PTE non lle preguntaron a súa opinión sobre a ORT, pero ao dirixente deste último si lle pediron a súa opinión sobre o PTE; e a súa resposta foi a que era de esperar (cito de memoria, pero estou seguro que non me afasto un milímetro, agás pola súa tradución ao galego, da resposta de José Sanromá): "O PTE é un partido de pequeno burgueses que nada teñen que ver coa revolución". Estou seguro que iso mesmo pensaban no PTE da ORT, así como cada un dos outros partidos "da esquerda da esquerda" dos demais, agás excepcións, que sempre hai, grazas a deus. Realmente esa resposta non tería provocado ningunha sorpresa. Lémbrese que probabelmente a entrevista se realizou un mes ou máis antes da súa publicación. O que nos fixo moita graza aos que non estabamos no PTE nin na ORT era que uns quince días antes (da saída á venda dese número) acordaran publicamente ambas as dúas organizacións iniciar un proceso de fusión. Iso no fondo non era nada estraño, a fusión, pois xa falabamos da "proximidade familiar"; o estraño era que tan pouco tempo antes uns pensaban dos outros o que pensaban e, mesmo, chegaban a expresalo publicamente. O síndrome Sanromá está vivo e moi vivo. Que aqueles ben próximos para os que "non son eles" ás veces soen verse "tan distantes", sen que unha análise racional o xustifique, que acaban converténdose no "maior inimigo" Como é ben sabido a fusión acabou en implosión e o que semellaba ía ser o "gran partido" da "esquerda da esquerda" (á esquerda do PCE) "implosionou". Non só foi un fracaso a fusión, senón que "na mesma" se "queimaron" as dúas organizacións. Tampouco resultaba sorprendente se estamos a ver con que vimbios se estaba a construír o proxecto; e non creo enganarme se afirmo que a posición de partida do PTE non era ben diferente. Ou sexa, que semellaba, penso que é unha boa hipótese que seguro poderán confirmar "superviventes" da historia, que, ao modo en que fan moitas empresas, pretendían "acabar coa competencia" cunha "fusión por absorción", só que os dous pretendían ser os que "absorbesen" ao outro; e, claro, "pasou o que pasou". E todo isto a que vén, preguntaranse algúns. Pois a que o síndrome Sanromá está vivo e moi vivo. Que aqueles ben próximos para os que "non son eles" ás veces soen verse "tan distantes", sen que unha análise racional o xustifique, que acaban converténdose no "maior inimigo"; e, á final, "a contradición principal" é entre eu e a miña irmá ou o meu irmán. Nestes momentos podemos mencionar dúas grandes sanromanadas que se están a realizar por parte de hábiles revolucionarios para poñer en evidencia aos "contrarrevolucionarios enmascarados" Conceptos como "fanatismo" e "sectarismo" son moi próximos ao síndrome do que estamos a falar. Recorrentemente, desde posicións que calquera "observador imparcial" consideraría moi próximas, xorden as críticas máis "feroces" e máis "afiadas"; precisamente esa proximidade permite establecer as temáticas nas que establecer os debates máis "apaixonados" cos cualificativos máis "definitivos". Falacias ad hominem e xuízos de intención están á orde do día. En fin, a cuestión, no fondo, está ben xustificada, hai que desenmascarar aos "pequeno burgueses que nada teñen que ver coa revolución". Resulta que, "obxectivamente", son "os peores". Nestes momentos podemos mencionar dúas grandes sanromanadas que se están a realizar por parte de hábiles revolucionarios para poñer en evidencia aos "contrarrevolucionarios enmascarados". Por unha banda, no ámbito estatal, o obxectivo é poñer en evidencia aos "esquerdistas de salón" ("obxectivamente dereitistas") que se ocultan tras PODEMOS: hai que desenmascarar os partidos que, pretendéndose de esquerdas e radicais no fondo lle están a facer o caldo gordo ao réxime ofrecendo unha alternativa que simplemente pretende entregar á clase obreira atada de pés e mans aos explotadores, presentando propostas dun reformismo asumíbel que o único que pretende (ou non, pero que, "obxectivamente" ese é o seu sentido) é impedir calquera transformación rupturista revolucionaria: a desmobilización da clase obreira. A outra gran sanromanada está a realizarse nas nosas proximidades nacionais: consiste en quitarlle o anteface aos españolistas que se ocultan baixo unha retórica demagóxica A outra gran sanromanada está a realizarse nas nosas proximidades nacionais: consiste en quitarlle o anteface aos españolistas que se ocultan baixo unha retórica demagóxica; que falan de nacionalismo, pero que se venden ao españolismo por un puñado de votos (ou por un puñado de escanos). E se algún cantamañanas pretende que os "hábiles críticos" ao mellor tamén "se venderon" aos españolistas por un puñado de consellerías ou de alcaldías, hai que recordarlles que unha cousa son os acordos e coalicións preelectorais e outra cousa os acordos postelectorais. Non son o mesmo (?). Para rematar, aclarar dous posíbeis malentendidos. Nin se está a apoiar a bondade de calquera acordo preelectoral, que habería que discutir "en concreto", nin tampouco se está a xogar con iso tan "de sentido común" e, polo tanto, tan baleiro de contido como é "a unión da esquerda". Esa "unión da esquerda" ten o seu correlato na outra afirmación, tamén tan "de sentido común" e tan baleira tamén que é aquela de que "todos son iguais". Claro; hai certas "unións" que acaban por aparentar (ou peor) que "todos son iguais". Pódese discutir durante horas que é iso de "ser de esquerdas"; e ese non é o tema agora; mais, por poñer un único exemplo, que non penso ofreza ningunha dúbida, a ninguén lle vai parecer que sexa compatíbel ser de esquerdas con estar de conselleiro delegado en Gas Natural, Endesa, Iberdrola, Santander, BBVA, ou calquera outra multinacional; os intereses desas empresas e os dos seus traballadores así como os intereses desas empresas e os dos traballadores de calquera lugar no que estean ninguén diría que poden ser harmonizábeis; o que, evidentemente, non é obstáculo para que algúns conselleiros delegados se presenten como de esquerdas, así como os partidos nos que "militan"; nin tampouco que desde eses partidos lles reclamen algún tipo de coherencia co seu presunto "esquerdismo"; todo o contrario, mesmo, coa graza que lles caracteriza, tense dito algo así como que "de algo teñen que vivir". Un brinde polo sentido do humor! Pódese discutir; pero, para evitalo, xa alguén dixo, e por triplicado, xa hai moito tempo, en base a que nos podemos unir: "programa, programa, programa". E habería que engadir, tamén, consecuencia co programa Pódese discutir; pero, para evitalo, xa alguén dixo, e por triplicado, xa hai moito tempo, en base a que nos podemos unir: "programa, programa, programa". E habería que engadir, tamén, consecuencia co programa. Pois hai moitos casos de programas moi radicais que, ao día seguinte da noite electoral, por mor dun pacto postelectoral, se deixan hibernando á espera dunha próxima consulta á cidadanía, na que se volva a mostrar o radical e de esquerdas que se é, até que haxa que chegar a pactos para facer non se sabe que; desde logo non o que estaba no programa electoral, pero co que se mantivo a pureza revolucionario e/ou nacionalista .... até o día seguinte á xornada electoral. Porque, evidentemente, senón gañaría a dereita, por iso hai que pactar coa "esquerda dos conselleiros delegados das multinacionais" ... Para así poder facer unha política de esquerdas (?), claro. Non estou, pois, a falar de "unión de esquerdas"; senón de unión dos que "están na mesma familia" (o que implica superar o síndrome Sanromá); isto é, dos que teñen o mesmo programa e están dispostos a levalo a cabo. Non estou, pois, a falar de "unión de esquerdas"; senón de unión dos que "están na mesma familia" (o que implica superar o síndrome Sanromá); isto é, dos que teñen o mesmo programa e están dispostos a levalo a cabo Pero tamén ter o mesmo programa significa, ademais da dita consecuencia co mesmo, participar de quen é o suxeito que o debe levar a cabo; isto é, non confundir "eleccións" ("un momento" máis da loita de clases) con "electoralismo" ("o" momento); ou sexa, "democracia real" con "partitocracia"; traballadores con parlamentarios; participación política real con votar, simplemente; mobilizacións populares con acordos de "salón de plenos" (do concello ou do Parlamento). O como o quen e o que non son inseparábeis, senón que entre eles hai unha necesaria interdependencia ("relación dialéctica"). Cómpre, por tanto, a este respecto, lembrar aquela frase de Rousseau: "O pobo inglés pénsase libre; equivócase moito; só o é durante a elección dos membros do Parlamento; en canto foron elixidos é escravo, non é nada". |
NOS_39444 | Diversas plaformas contra os desafiuzamentos cualifican de "papel mollado con intención electoralista" o bono anunciado polo Goberno galego do PP para axudar a afectad@s e anuncian que reactivarán a presentación dunha ILP a favor do dereito a vivenda e para evitar máis desafiuzamentos. | As plataformas anti desafiuzamentos de Galiza cargaron este sábado contra o bono aluguer que activará a Xunta para evitar despezos de persoas con problemas económicos. En concreto, estes colectivos cualificaron o citado bono aluguer, que podería supoñer uns 150 euros ao mes, de "papel mollado". "Como foi o das 500 vivendas", engadiu, en roda de prensa, María Díaz, de Stop Desafiuzamentos Compostela, onde se celebrou unha reunión das distintas plataformas a favor da vivenda do país. Segundo a súa versión, destas 500 vivendas que habilitou a Xunta, "só se entregaron, en dous anos, 43". Sobre este tema, a portavoz destacou que un total de "6,6 familias" son desafiuzadas "diariamente" en Galiza. Seguindo con este discruso, engadiu que o plan de vivenda que activará a Xunta, dentro do que se atopa o bono aluguer, é un "plan de cara ás eleccións" municipais. Díaz preguntouse "que lle resolve" a unha familia cuns "ingresos de 400 euros" ao mes un bono aluguer de 150, á vez que preguntou "quen ten dereito" a este bono aluguer e "quen non". PARLAMENTO Por último, as plataformas anti-desafiuzamentos de Galiza tamén fixeron fincapé en "retomar" unha Iniciativa Legislativa Popular (ILP) centrada en "tres puntos fundamentais": a "paralización inmediata" dos despexos; a "posta a disposición" da cidadanía de "pisos baleiros en mans dos bancos" e a creación dunha nova lei de vivenda e solo. |
NOS_10927 | Por medio dunha atractiva escolma e relectura da súa obra, a mostra Silverio Rivas. Mente-materia, repasa algún dos vieiros andados polo traballo do escultor Silverio Rivas (Ponteareas, 1942) desde os anos 70, en que inicia unha evolución que o vai levar a unha linguaxe persoal absolutamente inserida na modernidade. | Este aspecto é claramente perceptíbel na excelente mostra que se presenta na Casa das Artes de Vigo. Silverio Rivas. Mente-materia / Artista: Silverio Rivas / Comisario: Javier Pérez Buján / Casa das Artes, Vigo / Até 31 de outubro Nela o comisario, Javier Pérez Buján, e o artista desenvolven o proxecto desde unha moi coidada análise do espazo, que é estruturado tendo ben en conta as múltiples escalas, as variacións cromáticas e as texturas para crearen así un percorrido ricamente modulado que ofrece un compendiado achegamento á obra do noso escultor, unha síntese aberta que máis que esgotar a visión da súa obra, o que permite é abrir novas percepcións do seu traballo. Na escultura de Silverio Rivas ás influencias iniciais de Brancusi, Moore, Calder, perceptíbeis desde os seus traballos dos anos 70, hai que acrecentar desde a primeira estadía en París o achegamento á obra de Arp e Julio González e o forte interese pola linguaxe escultórica exipcia. Neste camiño Rivas vai chegar á abstracción produto dunha profunda análise e comprensión da estrutura da linguaxe escultórica. Alcanza este punto por un proceso depurativo, que tende a reducir as formas ao seu carácter máis esencial, cun sintetismo e unha vontade de esencialismo formal que estará nel ao servizo dunha visión, dunha concepción artística fortemente monumental. Esta concepción escultórica vai acadar a plenitude sobre todo a partir dos anos noventa nos complexos proxectos de ámbito público e dimensións monumentais -que teñen un reflexo nos espazos e na montaxe da Casa das Artes-, unha escala onde normalmente máis problemas acaban por ter os escultores. Silverio Rivas, polo contrario, móvese con comodidade neste terreo, ten, pois, un enorme dominio da escala, unha concepción monumental solidamente asentada que se alicerza nunha idea inicial, nunha suxestión rigorosamente traballada, que parte dun profundo respecto polo que é o traballo construtivo e que é consciente da dificultade formal en que se move. Velaí a chave para chegar a logros dunha escultura que abala, como indica o título da exposición, entre a materia e a mente, con ese equilibrio entre un sentido analítico moi intenso e unha linguaxe plástica sólida en que a suxestión alegórica abre as portas á emoción. |
NOS_28096 | A Coruña segue a ser capital da simboloxía franquista. De feito, aínda abeira 35 símbolos franquistas. O activista da memoria Manuel Monge, colaborador de Sermos Galiza, intervirá no escano cidadán do próximo pleno para pedir a súa retirada. | Aínda que pasaron xa nove anos desde a aprobación da Lei da Memoria Histórica, o Concello da Coruña segue a darlle abeiro a un total de 35 símbolos que teñen relación co franquismo. De feito, na entrada do palacio municipal de María Pita continúa o único escudo franquista –ilegal desde hai 35 anos- que existe nos edificios públicos da Coruña. Aliás, o concello coruñés aínda conta cun retrato de José Calvo Sotelo, cunha rúa e un instituto co seu nome. Tamén segue a ostentar a mención de fillo adoptivo e fillo predilecto da Coruña. "Seis distincións que son un auténtico récord en todo o Estado", sinala Manuel Monge, membro da Comisión Pola Recuperación da Memoria Histórica da Comarca da Coruña. Pola outra banda, o Goberno municipal da Coruña, se ben modificou nomes de rúas que homenaxeaban franquistas e retirou títulos e mencións a persoas relacionadas coa ditadura, aínda mantén distincións a Laureano López Rodó e a Manuel Fraga Iribarne, así como a rúa Cabo Ponte Anido, a rúa Disciplina e a rúa Diego Delicado Marañón. Retratos de alcaldes O activista da memoria, tamén colaborador de Sermos Galiza, afirma que "retirados xa os retratos dos alcaldes José Fuciños Gayoso e Hernán Martín-Barbadillo, aínda quedan por retirar os retratos de alcaldes que participaron na sublevación militar e fascista do 18 de xullo de 1936 e que xogaron un papel destacado na represión ou ocuparon postos de responsabilidade na ditadura: Sergio Peñamaría de Llano, Eduardo Ozores Arraiz, José Pérez Ardá y López Valdivieso, Eduardo Sanjurjo de Carricarte". Así mesmo, engade, habería que retirar os retratos de significados golpistas José Calvo Sotelo, Miguel Primo de Rivera, Severiano Martínez Anido e Mario Muslera y Planes. Monge tamén cita o caso do CEIP Montel Touzet, que "leva ese nome honrando tres irmáns militares que morreron combatendo no Exército sublevado en 1936 contra a democracia e a legalidade constitucional". Escano cidadán Manuel Monge intervirá no próximo pleno municipal do 12 de setembro, cando ocupará o escano cidadán. Desde a sesión plenaria, o activista da memoria solicitará a retirada de toda a simboloxía franquista da cidade. |
NOS_14120 | Segunda xornada de paro en pouco menos de dous meses para a frota artesanal galega. O sector paralizou esta sexta feira a súa actividade e reuniu as embarcacións nos portos en protesta contra o regulamento que se está a negociar na Unión Europea. Denuncian a "total imposibilidade" de implantalo na Galiza. | A frota artesanal galega e o marisqueo a pé non foron ao mar esta sexta feira en protesta polo regulamento comunitario de control da súa actividade que a Unión Europea (UE) ten previsto aprobar. As embarcacións concentráronse nos peiraos, cunha presenza maior nos portos de Ribeira, Illa de Arousa, Burela e Bueu. Ás 12 as embarcacións realizaron unha sonora pitada e nalgunhas confrarías houbo xuntanzas. No porto de San Cibrao (Cervo), houbo concentración mais sen embarcacións. O seu patrón maior, Javier Sánchez, conta a Nós Diario que este regulamento lles afectaría teñan ou non embarcación. "É complicado que un percebeiro estea co aparello enriba, que poida caer con el cando sobe pola ribeira e teña problemas por non contar co sinal de cobertura", di. Explica que a maior parte das embarcacións son pequenas "e non teñen lugar onde colocar o xeolocalizador que queren obrigar a pór". Controis actuais excesivos Sánchez opina que os controis actuais xa son excesivos. Apunta que o problema é que "son tantos organismos os que che queren controlar" que non o entende, "son excesivos, contan con toda a información". En Porto do Son pararon as súas 60 embarcacións. En declaracións a Nós Diario Alberto Ansioso, patrón maior desta confraría, amósase crítico mesmo coa normativa de control actual "e aínda por riba queren engadir outras máis". Explica que no peso das capturas que realizan "no mesmo barco" moitas veces teñen erros polas propias condicións en que traballan. "Co movemento da embarcación non hai maneira de pesar, baila a báscula", polo que incrementar o regulamento "non ten sentido, xa temos os gardapescas, a Xunta, a Fiscal, a Garda Civil, a policía municipal e para o polbo os de Portos da Galiza". Non entende todo este tipo de atrancos para realizar o seu traballo. "Se temos un erro xa nos chega unha multa, non podemos protestar", asegura. Conta que no seu caso e no doutros as sancións chegaron por equivocacións de 300 gramos. Ansioso pensa, daquela, que todo este tipo de controis fan que "o peixe perda moita calidade". O anuncio deste regulamento ten o sector cos ánimos acendidos. "Amárganos a vida coa política pesqueira de cotas que está moi mal e con isto non levantamos cabeza, estanos aburrindo", resume este mariñeiro. |
NOS_4976 | Solicitaron no Comité Galego de Caza unha moratoria na captura desta especie. | Varias asociacións ecoloxistas (Adega, Ecoloxistas en Acción, GN Hábitat, SEO/BirdLife, SGHN, SGO e Verdegaia) propuxeron na reunión telemática do Comité Galego de Caza unha moratoria á caza da rula (Streptopelia turtur). Neste comité escoitáronse as distintas propostas para o establecemento dos períodos hábiles de caza para a tempada 2020-2021 nas distintas modalidades. Até o de agora, a caza da rula estaba permitida na media veda no espazo natural protexido da Limia. Para as ecoloxistas isto desatendía os requirimentos da Comisión Europea e numerosas demandas das cidadán e das entidades conservacionistas para que se prohiba definitivamente a súa caza e se declare especie protexida. Asturias, Cantabria, Canarias, Euskadi e Valencia xa prohiben a caza desta especie Rede Natura A Limia está integrada na Rede Natura, sendo declarada ZEPA (zona de especial protección para as aves) pola Xunta no ano 2009, recollendo o mandato da Directiva Aves da Unión Europea de crear espazos de protección para as aves. O Goberno galego ven permitindo a caza da rula en 9 concellos da Limia entre finais de agosto e mediados de setembro, período chamado media veda, denuncian as ambientalistas. "Nos últimos cinco anos o número de rulas foi en promedio un 60 % inferior ás cifras previas ao inicio da súa caza na media veda hai 17 anos, segundo datos do programa SACRE de seguimento de aves na península ibérica". Segundo datos oficiais, dende o ano 2014 téñense cazado nela 3.870 rulas, "deteriorando severamente a súa poboación nun dos poucos enclaves galegos nos que aínda atopa un hábitat axeitado para procrear e, consecuentemente, hpodendo vulnerar a citada directiva e a Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade. Ademais da caza da rula, neste período da media veda, vense permitindo a caza do paspallás no espazo natural protexido, cando se ten constatado que nesta época aínda están criando os polos das postas tardías. Nos últimos 6 anos téñense cazando 50.172 paspallás na ZEPA da Limia Na plataforma Change.org está aberta unha campaña de recollida de sinaturas en favor da prohibición da caza da rula. No momento de redactar estas liñas teñen asinado máis de 48.240 persoas. |
PRAZA_16156 | Se Audasa aceptase ter unha rendibilidade sobre ingresos do 14%, a que ten Inditex, podería baixar as peaxes un 30%. | AUDASA vai bater un récord mundial: incrementar as peaxes da AP9 catro veces nun só ano. Subiunas o 1 de xaneiro o 1,9% porque as autopistas teñen garantido por lei que as peaxes suban o mesmo que a inflación. Un dereito que non teñen os pensionistas pero si as autopistas de peaxe. AUDASA vai bater un récord mundial: incrementar as peaxes da AP9 catro veces nun só ano. Cun incremento acumulado que estará na contorna do 5%. A segunda será do 1% durante 20 anos como consecuencia do acordo de novembro de 2011 entre a Ministro Blanco e Audasa. A terceira será un 0,9% en todas as peaxes, como consecuencia do Acordo de 2013, entre a Ministra Pastor e Audasa. E a cuarta, aínda non sabemos nin canto nin cando, polo acordo entre Feijóo/de la Serna e Audasa. É un escándalo: subir catro veces nun ano os prezos xa abusivos da AP-9 cun incremento acumulado que estará na contorna do 5%. Escándalo, roubo, atraco a punta de peaxe. Pódese elixir o nome que se queira. Audasa é un poder fáctico enorme: da igual quen estivera no goberno, a que manda é ela. Ata foi quen de contratar de figurante a M. Rajoy para a pantomima de Rande do día 30 de decembro. A estratexia de Audasa é inaceptable, e só se pode entender dende a complicidade do bipartidismo rotatorio que gobernou este país. Primeiro conseguiu prolongar ata o máximo legal, 75 anos, o período da concesión para explotar a AP-9. Foi Aznar en 2003 o que lle deu 25 anos máis, ata 2048, de tal forma que Audasa é a autopista de peaxe co maior prazo concesional do Estado. Para que se entenda ben, antes de 2026 remata a concesión de todas as autopistas de peaxe da primeira xeración –as licitadas antes de 1976- menos unha: a AP-9. Cando xa teñan pasado 31 anos dende que a AP-6 remate a súa concesión, nós seguiremos pagando peaxes a Audasa. Antes de 2026 remata a concesión de todas as autopistas de peaxe da primeira xeración –as licitadas antes de 1976- menos unha: a AP-9 Unha vez acadado o período legal máximo, Audasa mudou de estratexia: subir as peaxes por riba das demais grazas a acordos co Ministerio de Fomento. As peaxes máis caras para a peor autopista do Estado, porque Audasa é a empresa que ten o maior número de reclamacións presentadas polos usuarios, a que ten o menor número de empregados e a de maior sinistralidade. A AP-9 supón o 3% do total de usuarios da rede de autoestradas pero ten o 19% do total das reclamacións. Un mal servizo que ten causa na política laboral da concesionaria: Audasa é a empresa que ten a peor ratio de persoal por quilómetro de todas as autoestradas de peaxe do Estado. Non entre as peores. A peor: en Audasa hai 0,4 empregados por cada quilómetro fronte á medida de 1 emprego por quilómetro no resto das autoestradas. Nos últimos 20 anos Audasa recadou 2.344 millóns de euros en peaxes, que se transformaron nun beneficio antes de impostos de 1.900 millóns de euros Audasa é un negocio redondo para os seus accionistas. A fórmula é simple: son un monopolio, que explota unha concesión pública, con tarifas abusivas e custos reducidos. Nos últimos 20 anos Audasa recadou 2.344 millóns de euros en peaxes, que se transformaron nun beneficio antes de impostos, intereses e amortizacións (BAII) de 1.900 millóns de euros: si. O resultado bruto de explotación de Audasa equivale ao 81% da súa facturación. Despois de amortizar e pagar os gastos financeiros, os beneficios acumulados dende 1997 son de 1.181 millóns de euros: Audasa gana 1 de cada 2 euros que factura, unha rendibilidade do 50%. Audasa gana 1 de cada 2 euros que factura, unha rendibilidade do 50%. Unha empresa só pode gañar o 50% do que factura se actúa en réxime de monopolio de facto Unha empresa só pode gañar o 50% do que factura se actúa en réxime de monopolio de facto, porque esa rendibilidade non se corresponde con un réxime de concorrencia nun mercado competitivo. Os datos da Central de Balances do Banco de España sinalan que as empresas españolas acadan unha taxa de beneficios netos sobre ingresos do 7%: a rendibilidade de Audasa é un 700% superior a media das empresas españolas. Se Audasa aceptase ter unha rendibilidade sobre ingresos do 14%, a que ten Inditex, podería baixar as peaxes un 30%. Un escándalo de peaxes abusivas que demostra que existe un amplo marxe para que Audasa poida ter unha política tarifaría diferente, con prezos mais baixos, coa única condición de que aceptara ter unha rendibilidade normal, isto é, similar á media das empresas españolas. Sirva como un exercicio de simulación o calculo seguinte: se Audasa aceptase ter unha rendibilidade sobre ingresos do 14%, a que ten Inditex, podería baixar as peaxes un 30%. Ou dito doutro xeito, podería, e mesmo debería, asumir contra a súa marxe abusiva, a liberalización de peaxes como o de Redondela Publicidade <a data-cke-saved-href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=ad15c27c&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=ad15c27c&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' target='_blank'><img data-cke-saved-src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=332&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=ad15c27c' src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=332&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=ad15c27c' border='0' alt='' /></a> |
PRAZA_20859 | 643 centros de ensino de toda Galicia teñen algún positivo. A Coruña, con gran diferenza, é o concello que presenta un maior número de casos activos de Covid-19 (184) | Dende o pasado venres os positivos pasaron de 1033 a 1331O pasado venres tivo lugar a volta ás aulas en Galicia. Aquel día comunicáronse un total de 1.033 casos activos de Covid-19 entre o alumnado e profesorado, unha cifra que superaba á que se rexistrara no remate do primeiro trimestre, pero aínda en niveis baixos, lonxe dos máis de 1.300 casos que chegaran a acadarse en novembro. Este martes, tan só dous días lectivos despois, o número de positivos nas aulas chegaron xa a 1.331, a cifra máis elevada deste curso e que supón un aumento do 30% dende o pasado venres. O empeoramento da situación epidemiolóxica e a escalada de contaxios que se está a dar en Galicia en todos os ámbitos trasládase tamén aos centros de ensino. Hai neste momento, ademais, 22 aulas pechadas (dúas máis que onte e seis máis que o venres). Pola contra, ningún centro de ensino está pechado na súa totalidade.643 centros de ensino de toda Galicia teñen algún positivo nas súas comunidades educativasNa seguinte táboa, que ofrecemos de xeito aberto e descargable libremente, detállanse as escolas, colexios e institutos que notificaron algún caso de Covid-19 este martes. Son 643 en toda Galicia e están encabezados polo CPR Plurilingüe Santa María del Mar da Coruña (15 casos), o CPR Plurilingüe Liceo La Paz da Coruña (14) e o CPR Plurilingüe Compañía de María de Santiago de Compostela (13). 19 centros teñen algunha aula pechada, destacando o caso da Escola Infantil Tomiño, con dúas.A Coruña, con gran diferenza, é o concello que presenta un maior número de casos activos de Covid-19 nos seus centros de ensino (184)A Coruña, con gran diferenza, é o concello que presenta un maior número de casos activos de Covid-19 nos seus centros de ensino (184). Vigo suma 121, Ourense 83 e Santiago de Compostela 80. Ademais das cidades, destacan os casos de vilas cun gran número de positivos nas súas comunidades educativas, como Viveiro (30) e Arteixo (28), e tamén Boiro, Culleredo, Oleiros, Vilagarcía de Arousa, Tomiño ou Xinzo de Limia, por riba dos 15 casos cada unha. |
PRAZA_3805 | Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, aposta por evitar os reproches entre administracións ao tempo que denuncia os "erros evidentes" do Executivo de Sánchez, ao que acusa tamén de "censura" e de non terse "anticipado" á crise polo virus. | O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, insistiu en manifestar a "lealdade" da Xunta co Goberno central e a necesidade de evitar os reproches entre administracións durante a crise do coronavirus, pero ao tempo lanzou duros ataques contra o Executivo de Pedro Sánchez durante a súa intervención na sesión da Deputación Permanente celebrada este venres extraordinariamente no hemiciclo do Parlamento de Galicia. Rueda asegurou "lealdade" ao Goberno central, ao que acusou de "erros evidentes" ou de non terse "anticipado" á crise polo coronavirusNunha segunda sesión histórica da Deputación Permanente na Cámara --co obxectivo de gardar as distancias requiridas--, xa que esta está formalmente disolta, Rueda respondeu ás críticas da oposición alternando chamadas á responsabilidade con denuncias polos "erros evidentes á vista de toda a cidadanía" que atribuíu ao Goberno do Estado, ao que acusou de non terse "anticipado" á crise da Covid-19 cando organizacións como a OMS xa advertiran dos riscos. Tamén cargou contra a falta de subministro de material de protección por parte do Executivo de Sánchez e gabou a iniciativa da Xunta de achegar máscaras, luvas ou xel aos concellos. "Se esperabamos polo subministro de material por parte do Estado, ía ser complicado contar cun abastecemento mínimo", asegurou. Así, Rueda chegou a ilustrar con detalladas cifras o material achegado polo Estado para aclarar que as luvas recibidas darían "para pouco máis dun día" de traballo, os litros de xel hidroalcólico "para 2,6", as máscaras para pouco máis dunha xornada e as batas "para dous días". "Ninguén nega que se fan esforzos para conseguir material, pero o éxito é mellorable", insistiu. O vicepresidente da Xunta acusa o Executivo central de "fracasar" , "facer ridículos con moito prexuízo" e levar a cabo unha "censura evidente e con todo descaro"De feito, e en resposta a Gonzalo Caballero, voceiro do PSdeG, Alfonso Rueda acusou o Goberno central de "fracasar" e de facer "ridículos con moito prexuízo para quen estaba esperando por probas". Ao tempo, destacou que a Xunta si soubo "anticiparse", iniciativa que se tería demostrado co encargo de 500.000 máscaras ou con medidas de distanciamento social previas ao confinamento declarado polo Estado. Ademais, e ante as críticas de falta de "transparencia" por parte da Xunta, Rueda advertiu de que era mellor "non facer comparacións" co Goberno central, ao que acusou de "censura evidente, en vivo e en directo e con todo descaro", en referencia ás queixas de xornalistas pola imposibilidade de repreguntar nas roldas de prensa. O tamén conselleiro de Presidencia presumiu ademais da sanidade pública galega ante as denuncias de "recortes" por parte de toda a oposición. "A sanidade publica galega é unha das mellores do mundo e piar fundamental na loita contra o coronavirus", dixo, tras asegurar que "as cifras demostran que non se fixeron recortes en épocas de crise, senón investimentos para consolidala". Rueda nega recortes na sanidade pública galega, que cualifica como "unha das mellores do mundo"Respondía así Rueda a Gonzalo Caballero, que pediu "un plan urxente de atención sanitaria, máis persoal e máis infraestruturas", ou a Ana Pontón, portavoz do BNG, que cre que a mellor forma de agradecer o esforzo dos sanitarios é "reforzar a sanidade pública con dereitos e condicións dignas nas contratacións". Antón Sánchez, de Común da Esquerda, pola súa banda, lembrou que os recortes en sanidade "provocan maiores dificultades para afrontar crises" como a actual e pediu "apostar polo público e o colectivo" tras recordar a perda de camas e profesionais na última década e afondando nas críticas que tamén realizou Davide Rodríguez, de En Marea. Toda a oposición coincidiu tamén en reclamar medidas e máis intervención nas residencias de maiores e en demandar datos sobre os recursos da sanidade privada que están a ser utilizados pola Xunta ante a construción de hospitais de campaña. No entanto, Rueda non achegou cifra ningunha máis alá de asegurar que todos os medios sanitarios están a disposición do Goberno galego. A oposición reclama axudas económicas directas, o reforzo da sanidade pública ou un fondo extraordinario para paliar os efectos da criseAntón Sánchez, ademais, lembroulle a Rueda que "Galicia é unha das poucas comunidades que non habilitou axudas directas para autónomos" e advertiu das que si puxeron en marcha territorios como Catalunya, Comunitat Valenciana ou Madrid. "Galicia vai á cola das autonomías que toman medidas económicas de apoio á xente afectada, que pensa a Xunta dun ingreso mínimo vital para quen quede sen ingresos?", preguntou. Desde o BNG, pola súa banda, Ana Pontón propuxo unha serie de medidas como "consensuar coa comunidade escolar unha saída para acabar o curso", o reforzo da sanidade pública, garantir o material de protección necesario e a realización de test masivos, así como un fondo extraordinario para abodar as consecuencias económicas da crise, "con todos os fondos da Xunta que se poidan reestruturar, captando fondos europeos e reclamando os 60.000 millóns do rescate bancario". Na Deputación Permanente deste venres tamén interviu Fabiola García, conselleira de Politica Social, que advertiu a todas as residencias de maiores de Galicia que actuará "con toda rotundidade" fronte a calquera "irregularidade" que detecte a Xunta. "Non dubidaremos en tomar todas as medidas que sexan necesarias", dixo. Por outra banda, o Parlamento galego aprobou tranferir á Xunta de maneira "inemdiata" unha partida de 2 millóns procedentes do remanente de tesoureiría da Cámara para "contribuír ás necesidades orzmanetarios derivadas da pandemia", tal e como informou a propia institución sobre unha medida proposta polo seu presidente, Miguel Santalices, e aprobada por unanimidade pola Mesa da Deputación Permanente. |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.