ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
PRAZA_10850
Este venres inaugúrase en Mugardos unha exposición fotográfica sobre os feitos coa presentación do libro A fuxida do bou Ramón, de Eliseo Fernández e Enrique Barrera. O barco partiu de Ares e chegou ás costas francesas, pero varios dos seus ocupantes acabaron en campos nazis ou detidos pola Gestapo
O 21 de xullo de 1939, hai 80 anos, un grupo de 27 persoas saíu do porto de Ares no bou Ramón, un pesqueiro que viñan de secuestrar. Tentaban fuxir do réxime franquista e conseguírono a medias. Despois de horas de navegación e xa á deriva, foron rescatados por un barco francés, que os trasladou ao porto da Rochelle. Dende alí foron enviados ao campo de concentración de Barcarès, onde xa se atopaban miles de exiliados republicanos. Nos anos seguintes, os 27 seguiron rumbos moi diversos, pero algúns foron recluídos en campos nazis, morrendo en Mauthausen e outros foron detidos pola Gestapo e entregados ás autoridades franquistas.O 21 de xullo de 1939, hai 80 anos, un grupo de 27 persoas saíu do porto de Ares no bou Ramón, un pesqueiro que viñan de secuestrarNos últimos anos o libro A fuxida do bou Ramón, de Eliseo Fernández e Enrique Barrera, afondou neste episodio, unhas das moitas fuxidas por mar que se produciron na costa galega despois do Golpe de Estado de xullo do 36. A partir deste venres o Concello de Mugardos acolle unha exposición fotográfica sobre os feitos, que se poderá visitar ata o 14 de setembro e que se abre coa presentación do propio libro.Unha das cousas que máis chama atención sobre a fuga é o momento no que se produce, tres anos despois da sublevación militar, tres anos nos que unha boa parte dos fugados tivo que permanecer agachado, contando coa colaboración de familiares e veciñanza. Entre os ocupantes do barco había un pouco de todo. Dende militantes de esquerda que sobreviviran ao golpe militar ata persoas un pouco máis anónimas, sen unha traxectoria moi coñecida, pero que por algún motivo querían marchar, "porque as súas familias estaban marcadas e eran perseguidas ou porque non querían facer a guerra co bando nacional ou simplemente porque non querían vivir nese réxime", explica o historiador Eliseo Fernández. Boa parte dos fugados tiveran que permanecer agachados durante tres anos, contando coa colaboración de familiares e veciñanzaOs máis destacados eran sen dúbida o alcalde de Ares, Benito Feijóo, e o alcalde de Ferrol, Antonio Santamaría, que fora condenado a morte e conseguira escapar do cárcere. Evitaron así incrementar a longa lista de alcaldes e concelleiros asasinados polos franquistas, 88 tan só na provincia da Coruña. A represión foi especialmente forte nas as comarcas de Eume e Ferrol. De feito suman, 6 alcaldes asasinados e 39 concelleiros mortos, unha cifra que crece ata os 56 se se suman as comarcas da Coruña e Betanzos. "O feito de que en Ferrol funcionase a industria naval facía que na cidade e en toda a comarca houbese un movemento sindical moi forte e moi organizado e moita militancia en partidos de esquerda. Iso fixo que moitos concellos estivesen gobernados pola esquerda", explica Fernández.Non foi a única fuga que se produciu nese momento. De Ferrol partiron por exemplo os pesqueiros Carmiña e Teresita e é moi lembrada igualmente a do bou Eva en VigoNon foi a única fuga que se produciu nese momento. De Ferrol partiron por exemplo os pesqueiros Carmiña e Teresita e é moi lembrada igualmente a do bou Eva en Vigo, que finalizou co suicidio colectivo dos seus nove ocupantes. "Moitas déronse dende o inicio da guerra en portos nos que había un sindicato moi forte da CNT, que organizou bastantes fuxidas, coma na Coruña, Vigo ou Malpica", relata Eliseo Fernández, que subliña que en Ferrol, Ares ou Mugardos "as fuxidas prodúcense sobre todo ao remate da guerra", o que amosa que na comarca de Ferrolterra "había unha organización de apoio aos fuxidos bastante forte, que lles permitía manterse agochados durante tres anos". Nesta organización xogaban un papel moi importante as mulleres, por suposto, engade."Hai algunhas fuxidas das que temos noticias non tanto porque foran coñecidas polas autoridades, senón porque hai rexistros da súa chegada ás zonas republicanas. Por exemplo o barco La Libertaria, que saíu da Coruña en xaneiro de 1937 e que chegou a Asturias; foi un barco mercado a escote por varios dos fuxidos e polo tanto non deixou o rastro que si deixaron o Carmiña, o Teresita ou o bou Ramón, buques que eran secuestrados para a fuxida", relata.A fuxidaO plan foi facerse pasar por un grupo de prisioneiros custodiados por axentes da Garda Civil, un engano para o que fixeron falla disfraces e armas de madeiraA fuxida dependía do éxito dun plan moi elaborado, que pasaba pola coordinación entre moitas persoas que dende distintos puntos da comarca debían confluír no porto de Ares. "Había un contacto previo cun tripulante do barco, Juan Sánchez Fernández, que mantivera correspondencia cos irmáns Leira de Ares a través das mulleres", explica Eliseo Fernández, que destaca que "a loxística debeu ser moi complicada".O plan foi facerse pasar por un grupo de prisioneiros custodiados por axentes da Garda Civil, un engano para o que fixeron falla disfraces e armas de madeira. Así, na noite do 20 ao 21 de xullo un oficial do Exército, tres gardas civís e un falanxista apareceron no porto escoltando un gran grupo de prisioneiros, unha imaxe habitual nesas datas. Subiron ao pesqueiro e ameazaron aos membros da tripulación, afirmando que querían inspeccionar a embarcación "porque no seu interior podía haber rojos escondidos que trataban de escapar a Francia"."Escaparon de aquí, pero metéronse de cheo na Segunda Guerra Mundial. Ao final moitos sufriron a represión da que estaban fuxindo"O buque tiña algo de combustible, pero insuficiente para chegar a un porto seguro, polo que tiveron que comezar a queimar partes do barco. Estaban xa a salvo da ditadura, pero o futuro que lles agardaba non era doado. "Escaparon de aquí, pero metéronse de cheo na Segunda Guerra Mundial", explica Fernández, que comenta que dende o campo de concentración de Barcarès "cada un fuxiu para onde puido e hai historias de todo tipo", dende Manuel Fernández Olmedo, que morreu en Mauthausen, ata outros que pasaron por outros campos de concentración e varios que loitaron en Francia contra os nazis, pasando por algúns que foron capturados pola Gestapo e devoltos a España, onde foron xulgados polo Goberno franquista. "Ao final moitos sufriron a represión da que estaban fuxindo", conclúe.Tamén foron procesadas as súas familias, sobre todo mulleres, e igualmente a xente que era sospeitosa de telos axudado. Estas persoas foron detidas, interrogados pola Garda Civil, torturadas e pasaron pola cadea, algunhas durante varios anos. O mariñeiro Juan Sánchez Fernández, que colaborara con eles, morreu no cárcere."Cada vez que morre unha persoa maior é coma un libro que arde, que se destrúe. E cada vez temos menos tempo, porque as fontes escritas sempre van estar aí, pero non así as fontes orais"Eliseo Fernández lamenta o descoñecemento que aínda existe sobre estes feitos e, en xeral, sobre o vivido na Segunda República, a Guerra Civil e a postguerra. "Tardouse moito en afondar nestas cuestións. Eu comecei a investigar estes temas nos anos 90 e nese momento aínda vivía moita xente que vivira estes feitos ou que fora testemuña directa, que agora xa non están. Estes relatos de primeira man permitirían contar con información máis fidedigna, evitando algúns erros que ás veces se cometen por facer suposicións", di."É moi importante sacar á luza estas testemuñas. Parece mentira, pero aínda hai xente que ten medo de falar. Cada vez que morre un señor maior é coma un libro que arde, que se destrúe. E cada vez temos menos tempo, porque as fontes escritas sempre van estar aí, pero non así as fontes orais", destacaba hai uns anos Enrique Barrera en conversa con Praza.
NOS_34393
Patricia Marinho foi golpeada durante unha protesta pola situación da Plisán durante un acto de irmandade entre Salvaterra e Monção, no que tamén foron identificados Eva González e Xosé Antón Outeiro, todos concelleir@s do Bloque.
Na tarde do sábado, 28 de marzo, os tres concelleiros do BNG de Salvaterra do Miño foron retidos e identificados pola policía portuguesa durante un acto de protesta pola situación da Plisán, a Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves. As concelleiras Patricia Marinho Rodríguez e Eva González Pérez e mais o concelleiro Xosé Antón Outeiro González foron agredidos polos servizos de seguridade do acto cando intentaban mostrar unha pancarta de denuncia diante do Conselleiro da Presidencia da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda. Os feitos aconteceron durante o acto de irmandade entre os concellos de Salvaterra e Monção, organizado co motivo de conmemorar os vinte de anos da entrada en funcionamento da ponte internacional que une ambas as ribeiras do Miño. A delegación galega estaba encabeza por Alfonso Rueda, conselleiro de Presidencia da Xunta de Galiza e mais polo alcalde de Salvaterra do Miño, Arturo Grandal Vaqueiro, xunto con outros concelleiros e concelleiras desta corporación. No comezo da intervención de Alfonso Rueda, o concelleiro do BNG Xosé Antón Outeiro intentou despregar unha pequena pancarta na que se podía ler 'Plisán = Propaganda Electoral'. Segundo o Bloque, "esta acción desencadeou a reacción dos axentes da policía portuguesa, que agrediron a concelleira Patricia Mariño, afastándoa violentamente do lugar da protesta ata chegaren a arrastrala polo chan, causándolle feridas e contusións polas que tivo que acudir ao centro de saúde. Durante a actuación policial os veciños e veciñas que participaban na protesta responderon á actuación policial berrando "democracia, liberdade", mentres conselleiro, alcalde e membros da corporación se mantiñan impasibles". Segundo o BNG, a "actuación policial, consentida polas autoridades galegas presentes no acto, foi absolutamente desproporcionada, empregando unha violencia innecesaria contra unha protesta pacífica dos veciños e veciñas que denunciaban o uso propagandístico dunha iniciativa empresarial de grande importancia para o desenvolvemento e a creación de postos de traballo na comarca".
NOS_33008
No seu comunicado, o Colectivo de Presas e Presos políticos de Ferrol na ditadura afirma recibir con ledicia o "cambio de actitude" do Ministerio de Defensa, mais queren que "se fale claramente de eliminación de simboloxía franquista".
O Boletín Oficial de Defensa de 18 de marzo recolleu o cambio de nome de nove rúas franquistas do Arsenal Militar de Ferrol, que incumprían a Lei de memoria histórica. En concreto, as rúas que agora terán outra denominación son: Almirante Fernández Martín, Almirante Vierna, González Llanos, Salvador Moreno, Marqués de Alborán, Soldado Lois, Crucero Baleares, Cándido Pérez e Almirante Honorio Cornejo A pesar de que a resolución sinala que o Ministerio de Defensa toma esta decisión para "optimizar a eficiencia na organización do Arsenal de Ferrol que permita unha mellor identificación física dos seus diferentes organismos, unidades e servizos", o Colectivo de Presas e Presos políticos de Ferrol na ditadura afirmou que a decisión non foi tomada por vontade propia, senón que pola presión do colectivo. Segundo afirma a asociación, após o propio Ministerio de Defensa negase en abril de 2021 que fose necesario levar a cabo actuacións para mudar o nome destas rúas, "toma unha decisión política despois de presentar por rexistro o 3 de febreiro de 2022 unha denuncia ante a Fiscalía da Galiza polo reiterado incumprimento da Lei de Memoria Histórica polo Ministerio de Defensa, mantendo simboloxía franquista en instalacións dependentes de Defensa, que podería ser constitutiva de delito". Asemade, o cambio de nome das rúas chegou tres días despois de que o mesmo Colectivo de Presas e Presos políticos presentara por rexistro no Concello de Ferrol un escrito para o alcalde Ángel Mato, "cunha proposta de moción para que Defensa retirase esas rúas do Arsenal Militar" Eliminación de simboloxía franquista No seu comunicado, a asociación afirma recibir con ledicia o "cambio de actitude" do Ministerio de Defensa, mais queren que "se fale claramente de eliminación de simboloxía franquista". Na resolución do Goberno español sinálase que as rúas terán por novos nomes referencias históricas da Armada española. Porén, o colectivo, apoiándose na proposta dun grupo de historiadores, pide que as rúas "recollan os nomes de militares que o 18 de xullo de 1936 defenderon en Ferrol a legalidade como, entre outros, o Contralmirante Antonio Azarola, xefe do Arsenal, asasinado polos fascistas, porque as persoas que defenderon a democracia e o goberno lexítimo da República son merecedoras de recoñecemento social e reparación pública". Porén, a asociación critica que "aínda queda en Ferrol e na Galiza simboloxía franquista que depende de Defensa". "Na igrexa castrense de San Francisco de Ferrol hai unha gran cruz dos 'Caídos por Dios y por España', utilizada pola Armada nalgunha conmemoración, e unha placa de homenaxe da Armada ao Cruceiro Baleares: 'La Marina de Guerra a los gloriosos caídos del Baleares. Caídos por Dios y por España en el Crucero Baleares ¡Presentes!'", enumeran, entre outras. Por último, o colectivo conclúe afirmando que a resolución de Defensa debería ter tamén repercusións inmediatas no Concello de Ferrol, polo que se debería retirar a distinción que aínda conserva González Llanos de Fillo Predilecto de Ferrol desde 1968 e unha estatua no barrio de Esteiro. así como a distinción de Salvador Moreno tamén com Fillo Predilecto desde 1949.
NOS_34366
Decorridos cincuenta anos da creación do Consello da Mocedade, percorremos a súa intrahistoria, analizando a tesitura na que se xestou.
Coordenado polo historiador e profesor da UdC, Uxío-Breogán Diéguez, Sermos Galiza publica un caderno monográfico arredor da constitución do Consello da Mocedade (1963), coincidindo co seu 50 aniversario. Da man de dous dos seus protagonistas, Salvador García-Bodaño e Bautista Álvarez repasamos aqueles anos en que se procuraba a (re)organización do nacionalismo após a queda republicana. Aliás, diversos artigos afondan nas contradicións que marcaron o fracaso dun proxecto no que conviviron diversas tendencias políticas. Sermos Galiza quer contribuír a deitar luz arredor dun dos fitos destacados da nosa historia máis recente, porén, un dos máis descoñecidos. Contributo da reorganización patriótica de Galiza, botamos a ollada AFondo ao (re)inicio dunha historia que chega até o noso presente. Imaxe capa: Debuxos de mocidade, Manuel Colmeiro (1928)
NOS_12161
O fundador de Falange morreu o 20 de novembro do 36, nos primeiros días do levantamento militar fascista. Cada ano por esta data @s falanxistas réndenlle homeanaxe no Valle de los Caídos
O Goberno español vén de dar o visto e prace a unha manifestación en homenaxe a José Antonio Primo de Rivera convocada por Falange cadrando coa súa morte o 20 de novembro do 36, primeiro ano do levantamento militar fascista. O acto realizarase no Valle de los Caídos, até onde peregrinarán @s falangistas o sábado á noite, a partir das nove do serán. O PP ten rexeitado en diversas ocasións a ilegalización dun partido político de corte fascista, como é Falange. En palabras do secretario de Comunicación da formación conservadora, Esteban González Pons, "eu non son quen para tildar de legal ou ilegal unha corrente de pensamento. Non gosto de que haxa partidos fascistas, mais toléroo na miña condición de demócrata". As fundacións e entidades fascistas ficaron mimadas polo Goberno español nos mandatos do PP, nomeadamente de José María Aznar. Así, até a chegada do PSOE en 2004 a Fundación Francisco Franco foi a principal beneficiaria das subvencións que o Ministerio de Cultura outorgaba a entidades sen ánimo de lucro. Nun ano, a entidade que preside a filla do ditador recibiu máis de 83 mil euros das arcas públicas, nomeadamente do departamento que daquela encabezaba Pilar del Castillo. Segundo a convocatoria publicada no BOE, tales axudas estaban destinadas á informatización do material que garda unha entidade cuxo obxectivo é, segundo o rexistro de fundacións do Ministerio de Cultura, "difundir o pensamento de Francisco Franco e contribuír á proxección do seu ideario sobre o futuro da vida española". En 2003, cun goberno español en mans do PP (José María Aznar), o Grupo mixto elevou no Congreso d@s deputad@s unha pregunta ao redor do trato que o Executivo dispensaba á Fundación División Azul, que recibía subvencións millonarias para "organizar ciclos de conferencias e viaxes de estudos sobre a doutrina e pensamento que presidiron a súa creación e actuación". Durante os anos de goberno do PSOE houbo pasos para non autorizar os actos de homenaxe a Franco e Primo de Rivera, cadrando co aniversario das súas mortes, actos que finalmente recibiron luz verde dos tribunais após presentar recurso as organizacións convocantes.
NOS_26497
Considerar a caza para controlar danos na agricultura como actividade esencial, en plena pandemia, é unha decisión cando menos controvertida. Martiño Nercellas Méndez, biólogo e vogal de biodiversidade da asociación ecoloxista Adega, analiza as evidencias científicas do uso da actividade cinexética para controlar a biodiversidade e as problemáticas concretas na Galiza, que se move entre os peores indicadores de protección da natureza do Estado.
A pasada semana, as federacións de pesca e caza da Galiza trasladaron á Xunta a súa disposición de colaborar na realización de "tarefas de control no territorio que contribúan ao mantemento da biodiversidade". Ante tal expresión de vontade, espertan dúbidas arredor da relación que existe entre caza e conservación dos ecosistemas. Por iso, sen entrarmos en debates arredor da ética da caza, é o obxectivo deste artigo analizar a efectividade destas prácticas con esa suposta preservación da biodiversidade -xa anticipamos inviábel-, así como a actitude de permisividade e indulxencia por parte da Xunta cos seus excesos. A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, lembraba que nestes momentos só se permite de forma excepcional e como medida de control a autorización de determinadas accións cinexéticas ante supostos graves como danos xeneralizados á agricultura. Mais estes prexuízos da fauna nos cultivos -para os que non existe unha proxección de valoración certa e rigorosa- son sumamente insignificantes en comparación co impacto económico da brusca parada de toda actividade non esencial. Permitir que algunhas persoas poidan saír "altruistamente" de caza (e ter que agradecerllo) ten unha xustificación difícil para moitas individualidades e colectivos. Máis aínda cando está demostrado que a caza, por si soa, non é garantía para reducir os problemas na agricultura. A grave pandemia que vivimos pon de relevo que a protección da diversidade biolóxica ten que ser unha prioridade gobernamental. Así o proban estudos académicos, como a tese doutoral de Adrian Schlageter, Prevención dos danos de xabaríl. Consideracións para o manexo do xabaríl en agrosistemas altamente fragmentados (Universidade de Basel, 2015). A investigación conclúe que a eficacia da caza non é definitiva e que a redución dos danos depende en gran medida doutros factores. Destaca ademais a necesidade de incorporar procesos integradores de xestión na prevención, compensación e participación de todas as partes implicadas, así como indica a conveniencia de combinar unha caza ecoloxicamente equilibrada con feches eléctricos (alta efectividade) ou técnicas de disuasión (menos efectiva). A función da caza Ante isto, cómpre preguntarse: que función xoga a caza na nosa sociedade? Fundamentalmente constitúe un divertimento, ao que as persoas se achegan desde diferentes ópticas. Hai quen se dedica simplemente a gozar da súa paixón -unha maioría- sen prestar atención aos fins políticos e que procura practicala dentro da legalidade. Outros -os menos- compórtanse como auténticos depredadores fóra da lei, fan da caza unha práctica destrutiva e delituosa, sabedores de que nunca acontece nada. Por outra banda, atópase o que poderiamos chamar "lobby cinexético", ben relacionado coas estruturas do poder, submiso e compracente, con alta capacidade de influencia, que vende a caza como unha actividade imprescindíbel para o equilibrio natural. Mais tamén hai entidades que defenden unha práctica cinexética responsábel e crítica. Deste modo, cuestionan a celebración de campionatos e o seu afán recadador, a prolongación dos períodos de caza sen xustificación, os cambios normativos que levan a prácticas perigosas ou decisións como a de cazar nestes momentos. Por último, cabe mencionar a aparición doutras asociacións alienadas coa idea da fauna salvaxe como unha praga bíblica, máis pendentes de ordes de táctica política que da propia caza. Á parte, hai que destacar unha crecente sensibilidade social que avoga desde a súa prohibición até a necesidade de lle pór orde e control, con menor capacidade de incidir nas decisións da Administración, pero cunhas reivindicacións que van gañando peso. Desde unha óptica científica, a caza non é fornecedora de mellorar a biodiversidade, mantela ou controlala. Pola contra, actúa sobre poboacións de especies modulando a súa abundancia, polo xeral afondando máis nunha perturbación ecolóxica orixinal causada, moitas veces, pola propia actividade. Tampouco corrixe o deterioro, degradación e fragmentación dos hábitats onde se desenvolven estas poboacións. No entanto, asume graves deficiencias de xestión técnica, cunha minusvalía do coñecemento científico substituído por un pseudocoñecemento ecolóxico das especies. Mais o principal problema xorde do apoio nunha Administración pouco exixente co seu control e supervisión. Todo isto xera unha grave e crónica problemática ecolóxica. Especies ameazadas Esta entelequia pode espirse con moitos exemplos. O máis recente, unha Xunta que vén de autorizar a caza da rula e do paspallás no espazo protexido para as aves da Limia. Que hai de control da biodiversidade nisto? A Fiscalía do Estado insta a prohibir a caza da rula (Streptopelia turtur) nos territorios onde aínda se permite. Galiza é un deles, mais fixo caso omiso desta petición. De feito, a Comision Europea abriu un expediente infractor contra o Estado español pola falta de protección para a rula, ante o descenso constatado en Europa, en máis dun 40% da súa poboación en só dúas décadas. O paspallás (Coturnix coturnix), elixido pola Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO) ave de 2020, presenta un declive do 74% da súa poboación en 20 anos. Atendendo a estes datos, representa un atentado contra a biodiversidade permitir a caza destas especies, así como doutras aves migradoras, como a arcea, a becacina ou varias especies de tordos, en acelerado declive. Volvendo sobre unha das polémicas espertadas nos últimos meses, cómpre tamén preguntarse que mellora proporciona a caza de raposo, nomeadamente con cruentos campionatos. A resposta non parece apuntar cara ao argumento da biodiversidade, se consideramos que o raposo ten unha función ecolóxica reguladora fundamental sobre o control das poboacións de múltiples especies, entre elas os roedores que danan os cultivos. Apoboación de rula (descendeu en Europa máis dun 40% en só dúas décadas. O lobo é unha das especies emblemáticas da biodiversidade galega aínda catalogada como cinexética. A súa conservación pasa, segundo os expertos, por un impulso da cultura preventiva de protección do gando, que permita avanzar nunha problemática enquistada e fracasada durante décadas nas que só foi perseguida. Os niveis de práctica furtiva que existen no país so son posíbeis cando hai un costume de impunidade e non se sanciona o delito nin se presiona aos Tecores para que a combatan coa ameza de fechalos. Mentres tanto, mátase por volta dun cento de lobos anualmente, mediante esperas de noite, disparos de día nos lances nos que se presenta a ocasión, no decorrer de batidas para raposo ou xabaril, ou capturados en lazos co posterior tiro de graza. O lobo (Canis lupus signatus) é unha das especies emblemáticas da biodiversidade galega, para a que se vén reclamando desde hai anos a descatalogación como cinexética e inclusión como protexida, xunto ao impulso dunha cultura preventiva de protección do gando, para avanzar nunha problemática enquistada e fracasada durante décadas nas que só se aplicou a súa persecución. A declaración da Xunta da "emerxencia cinexética" polo xabaril supón unha sorte de "barra libre" que dá mostra da caótica tramitación do conflito. Mentres a Administración non centre o esforzo nun Plan de Xestión que combine actuacións máis alá da súa caza, continuarase nunha situación de difícil mitigación de danos e accidentes. Pandemia e biodiversidade A grave pandemia que vivimos pon de relevo que a protección da diversidade biolóxica ten que ser unha prioridade gobernamental. Temos que mudar a nosa relación co planeta e deixar de relativizar a riqueza, variedade, estrutura e funcionalidade dos ecosistemas. Hai un ano a ONU publicou un contundente informe sobre o estado da biodiversidade, sinalando que a destrución da natureza vai a unha velocidade nunca antes vista e cun millón de especies en situación de perigo de extinción, co que se precisaría un "cambio transformador" no modo de relacionarnos coa natureza. Segundo o Convenio de Nacións Unidas sobre Conservación e Uso Sostíbel da Diversidade Biolóxica (1992) a diversidade biolóxica "é a variabilidade de organismos vivos de calquera orixe, incluídos, entre outras cousas, os ecosistemas terrestres, mariños e outros ecosistemas acuáticos, e os complexos ecolóxicos dos que forman parte; comprende a diversidade dentro de cada especie, entre as especies e dos ecosistemas". Conceptos como riqueza e abundancia de especies, poboación, comunidades, ecosistemas, perturbación, resiliencia... son só uns poucos dos necesarios para entender os diferentes niveis nos que se sustenta a complexidade estrutural e funcional da diversidade biolóxica.
NOS_48230
A cantante Begoña Lorenzo pon voz a once Cantares de Rosalía no disco "Rosalía de Castro: Os ollos que falan", de Tempo Catro, que vén de publicar a AS-PG. Para Begoña Lorenzo, as novas composicións, danlle outro ritmo á poeta, "máis viva e combativa".
Despois da presentación en Ferrol, Tempo Catro xirará con "Rosalía de Castro: Os ollos que falan" por distintos teatros do país, dando a coñecer un disco que ofrece os "Cantares Gallegos" de Rosalía en clave de fola, música clásica, jazz ou tanto, unha variedade de rexistros que ofrecen unha maneira distinta de cantar á poeta. Quen interpreta e dá voz a Rosalía é Begoña Lorenzo, unha artista que se mostra feliz e agradecida aos compañeiros de Tempo Catro por ter contado con ela para este novo traballo. "Tratei de retomar o que ela sentiu e deixeime levar tamén pola música. Compaxinei a lectura dos Cantares co ritmo da música mais interpreto a Rosalía que sinto, forte e entusiasta", di Begoña Lorenzo do seu novo traballo. Canda ela, os músicos Andrés Pazos, Suso Iglesias -autores da música-, Javier Cedrón , Antonio Romero e Pablo Salgueiro de Tempo Catro, danlle a nova sonoridade aos versos da poeta en once cancións que teñen como base outros tantos poemas de "Cantares Gallegos", no 150 aniversario da súa publicación. "Pareceume un proxecto precioso, un reto e unha irresponsabilidade que asumín encantada. A maioría temos en mente os poemas de Rosalía na voz de Amancio Prada que fixo un traballo importantísimo, mais cumpría darlle un ton máis positivo, máis loitador fronte á imaxe morriñenta e triste que aínda perdura", comenta Begoña Pazos do novo traballo. Música como ferramenta de difusión Cos poemas seleccionados e a música da súa man, a Begoña Lorenzo suxeríalle "cantar alegre, darlle vida, as letras soaban á exaltación á patria e á xente, non a choro". Dese punto de partida naceu "Rosalía de Castro: Os ollos que falan", un traballo no que o entusiasmo se aprecia en cada un dos temas, en especial, o preferido da intérprete, ese "Eu cantar cantei" que é, ao seu ver, "unha exaltación de amor á terra, como outros que ela ten". Un dos obxectivos do novo traballo é, ao seu ver, "darlle relevancia á obra e á figura de Rosalía de Castro, tamén con fins didácticos e de difusión, do que a música pode ser unha ferramenta". Para Begoña Lorenzo, as cancións con poemas de Rosalía baten con facilidade na xente, como comprobaron no concerto de presentación en Ferrol, da man da Asociación Medulio que participa no proxecto. "Os diferentes ritmos ofrecen unha proposta variada coa música folk como base, mais tamén rezuma a clásica, jazz, tangos e outros ritmos que lle dan moita pluralidade sonora ao proxecto" destaca. O resultado contribúe, segundo di, a construír outra imaxe de Rosalía xa que " a música canaliza, vai guiando e o disco ofrece esa poeta combativa e enérxica que se quixo negar, de forma moi próxima e comprensíbel, como un nexo entre Rosalía e o público". O disco está a venda na loxa de Sermos Galiza.
NOS_55144
O informe Bandeiras Negras de 2012 situouna como unha das rías máis contaminadas de Europa polas emisións directas de residuos procedentes de varias fábricas. Nesta completa reportaxe repasamos en que situación en que se atopa a ría e o sector produtivo que se move ao redor dela
Cunha extensión de un millón douscentos mil metros cadrados, a Ría do Burgo baña os concellos de Oleiros, Cambre, Culleredo e A Coruña. Nas súas augas ameixas e berberechos daban traballo aos 2182 mariscadores que estaban censados no 1989. Desenvolvían o seu labor nun entorno sosegado, controlando a sobreexplotación da zona e garantindo a pervivencia do medio mariño. A convivencia con robalizas, reos, patos e garzas era unha realidade. Ata que chegou un novo inquilino: o hormigón. Ao tempo que o número de habitantes da bisbarra se multiplicaba, cada vez menos marisqueiros podían desempeñar a súa profesión. Así, mentres a cidade d'A Coruña pasaba de 230000 habitantes en 1981 aos 250000 actuais, Oleiros vía cómo a poboación se triplicaba até chegar aos 33000. O mesmo acontecía en Culleredo e Cambre, dobrándose o número de veciños até os 29000 e 25000 respectivamente. Pola contra, en abril de 2013, tan só 130 persoas teñen licenza para explotar a zona productiva da Ría, que agora é do 21%. Nos anos de maior prosperidade no estuario, era do 85%. Daqueles tubos, estes lodos ¨Agora pode haber un 70 ou 80 % menos de vertidos de augas residuais á Ría do Burgo dos que había antes, pero xa é demasiado tarde¨ explica Ángel Amancio Sotillo, presidente de ADEGA – A Coruña. Ata a construción da ETAR (Estación de Tratamento de Augas Residuais) de Bens, que leva en funcionamento dende o ano 2010, os residuos urbanos ían parar directamente á Ría. Agora, as augas residuais son enviadas ata a depuradora coruñesa a través dun sistema de colectores. Unha vez alí, sométense a un tratamento que elimina as partículas contaminantes, sendo posteriormente deitada ao mar. Pero o urbanismo non foi a única causa da degradación do Burgo. Fricosa, a fábrica de aceites Bunge, La Toja e fertilizantes Cros utilizaban a Ría como vía de escape dos residuos xerados durante a súa actividade. Agora estes vertidos son case inexistentes. As fábricas de La Toja, S.A. Cros e Bunge xa pecharon e Fricosa está inmersa en concurso de acredores. Pero o efecto destas prácticas queda de manifesto cando baixa o nivel do mar. Un forte e inconfundíbel cheiro acompaña a unha masa oscura e viscosa que sobresae do fondo mariño. ¨Os lodos acumulados chegan ao metro oitenta de altura nalgunhas zonas¨, comenta Ángel Sotillo. O tratamento do fango Unha vez tomadas as medidas necesarias para reducir as emisións, o seguinte paso sería extraer os lodos acumulados. Pero a falta de entendemento entre as Administracións imposibilitou que cristalizase calquera tipo de proxecto sobre o dragado da Ría. ¨A Xunta e o Goberno de Madrid nunca se puxeron dacordo en quen ía facer o tratamento dos lodos¨ declara Sotillo. Os que non dubidaban en sumarse ás protestas esixindo unha solución ao problema, agora escóndense nos seus despachos. ¨Cando estaba o partido socialista no goberno central, a Xunta esixía constantemente o tratamento do fango. Era un ariete. Pero mudaron as cores políticas en Madrid e resulta que agora non hai tanta présa. Mesmo se comeza a valorar se é necesario sacar os lodos¨, denuncia Ramón Sixto, presidente da asociación de veciños O Noso Burgo. ¨ Antes había membros do PP que acudían ás nosas manifestacións. Agora andan desaparecidos¨, asegura Manuel Cao, patrón maior da Confraría de Pescadores da Coruña. ¨O furtivo nin sinte nin padece¨ A extracción do marisco garda bastante similitude co coidado dos cultivos. A Confraría de Pescadores de A Coruña compra ameixa a unha planta de produción de semente de ameixa. Unha vez adaptada ao medio mariño, as ameixas que acaden os 13 milímetros reseméntanse nos bancos marisqueiros. Cando chegan aos 38 milímetros, pódense comercializar. Dende a Confraría de Pescadores de A Coruña, unha das 32 asociacións que integra a Plataforma pola Defensa da Ría do Burgo aseguran que ¨regulamos os días que se traballa, os topes de captura, descartamos a ameixa que non de a talla e a subastamos a unha planta de depuración. Pagamos o seguro de autónomos mensualmente, cada tres meses facemos a contabilidade e pagamos unha porcentaxe dos nosos ingresos ¨. Pero todo este traballo bótase abaixo co furtivismo. Sen participar á hora de resementar os moluscos, sen tributar pola súa actividade e sen respetar os criterios de talla mínima e salubridade, o furtivo ¨recolle todo o que pode. Nin sinte nin padece¨ denuncia Sixto. Malia ter localizado o principal foco da actividade, estas prácticas repítense constantemente. A vixilancia por parte das autoridades parece ineficaz e as sancións impostas, insuficientes, tal e como declara Manuel Cao: ¨Temos que loitar contra a pasividade da Xunta que é a que ten competencia sobre a pesca e a vixilancia da ría¨. O potencial non aproveitado da Ría do Burgo Dende a Plataforma insístese constantemente no potencial de desenvolvemento económico que ten a zona. Ademais da propia actividade pesqueira, subliñan a súa capacidade de atracción de turismo. Entre as augas da Ría e o hormigón dos bloques de edificios do casco urbán atópase un paseo marítimo de 3 quilómetros de lonxitude. Un pode atopar nel dende un parque botánico rodeado de hectáreas de céspede ata unha pequena lagoa na que habitan preto de trinta patos. Ademais, conta cunha pista de fútbol, outra de baloncesto e un parque infantil. Con estas instalacións, poderían ser moitas as familias que decidisen desfrutar da beleza do entorno nos seus ratos libres. Pero esta fermosa paisaxe ateigada de cisnes e cormoráns esvaécese cando baixa a marea. Sofás e televisores saen do seu agocho e o insoportábel cheiro da Ría amosan a función que tivo como particular recolector de lixo. A proximidade aos aromas fecais, fai que o tránsito polo paseo marítimo sexa toda unha odisea. ¨Nunha Ría en boas condicións poderíanse resementar ameixas e berberechos, facer actividades como deportes náuticos, un recheo de area para facer unha praia ou festas dos 4 concellos da ribeira¨, argumenta Manuel Cao. Ademais, sostén que ¨se poderían reservar parte dos postos de traballo directos xerados para colectivos especialmente vulnerábeis. Reservaríanse novas prazas para persoas en programas de reinserción social, mulleres maltratadas ou para maiores de 45 anos con dificultades para atopar novo traballo. Incluso poderíamos absorver parte do furtivismo¨. Os orzamentos europeos levan reservando unha parte para o saneamento da Ría durante a última década. Pero, logo de financiar a construción da ETAR de Bens e dos colectores e estacións de bombeo dos Concellos, o obxectivo dos fondos europeos non se está cumprir. A depuradora debía estar en funcionamento en 2008 e, a día de hoxe, aínda está en fase de probas. Con todo, o recibo da auga si inclúe, dende o ano 2001, unha partida baixo o concepto de ¨tratamento de augas residuais¨. Ademais, segue sen haber ningún proxecto por parte das autoridades españolas para dragar a Ría. Por este motivo, a Plataforma en Defensa pola Ría do Burgo, xunto con outras plataformas que esixen a limpeza das rías de Ferrol e Vigo, decidiu enviar a súa queixa á Comisión de Peticións da Eurocámara. Tras aceptala, unha delegación de 8 eurodeputados visitou as augas das 3 rías. O conservador francés Philippe Boulland, a austríaca do Grupo Liberal Angelika Werthmann e a letona do Grupo dos Verdes Tatjana Zdanoka, que contan con poder de decisión na elaboración do informe, acompañados pola eurodeputada do BNG Ana Miranda e polos eurodeputados do Partido Popular Francisco Millán Mon e Carlos Iturgaiz, do PSOE Antolín Sánchez Presedo (S&D) e de Izquierda Unida Willy Meyer, comprobaron que o estado das augas distaba moito do amosado nos informes que manexaban. ¨Incluso unha das deputadas que veu chegou a suxerir que se multara ao Estado español polo desbaldimento que se fixo dos cartos asignados por Europa para o saneamento da Ría¨, comenta Ángel Sotillo. Ante a indignación amosada polos eurodeputados polo deplorable estado das augas, agárdase que o informe inclúa medidas para sanear definitivamente a Ría. Con todo, non se descarta que se lle aplique algún tipo de sanción ao Estado español. ¨ Bruselas debería bloquearlle os fondos a España a todolos efectos, porque os fondos destinados se xestionaron dun xeito irresponsábel, sería o mellor castigo que poderíamos ter. A ver quén goberna sen cartos¨ reclama Manuel Cao. O triunfo da mobilización cidadá A visita dos eurodeputados non pode entenderse sen o labor da Plataforma pola Defensa da Ría do Burgo. O seu traballo durante os seis anos que leva en activo foi vital para a poboación entender o prexuízo que supón a degradación da Ría. Como explica Ramón Sixto, o seu portavoz ¨ a cidadanía estaba anestesiada. Crían que xa estaba todo arranxado na Ría e o tempo di que iso non é certo. Un dos traballos que tivo que facer a Plataforma foi de concienciación. Fomos aos colexios a pór vídeos e diapositivas, sacamos aos nenos a pasear á ría, fixemos manifestacións, buzoneo…¨. Á espera de que a Comisión emita o informe no vindeiro mes de maio, a Plataforma iniciou unha nova campaña de recollida de firmas para presentar a súa queixa á UE. Agárdase chegar ás 25000 firmas e lograr así a visita dunha nova delegación de parlamentarios europeos. En tempos nos que o labor da clase política está posta en entredito, multiplícanse as iniciativas impulsadas pola cidadanía. Dende a PAH até a Plataforma pola Defensa da Ría do Burgo. As dúas chamaron a atención das autoridades europeas sobre problemas acuciantes nesta sociedade. Unha parece quedar en papel mollado após a tramitación parlamentaria. A outra terá que esperar até maio. Agardemos que non siga o mesmo destino. A Ría do Burgo non o merece. Os seus habitantes tampouco.
NOS_41880
Alberto Núñez Feixoo e Ana Pontón. Dúas caras da moeda e dous gañadores da noite do 12 de xullo. O candidato do Partido Popular repite por cuarta vez como presidente da Xunta, igualando Manuel Fraga, en número de lexislaturas, mais non logra chegar á marca do seu antecesor, que conseguira 43 escanos en 1993. A líder do BNG asina unha espectacular suba de 13 escanos e sitúase como xefa da oposición, por diante de Gonzalo Caballero. Galicia en Común non obtén representación, ao igual que Vox, Ciudadanos e Marea Galeguista.
Feixoo iguala o seu antecesor, Manuel Fraga, e iniciará a súa cuarta lexislatura como presidente da Xunta da Galiza. Así o advertían ao longo das últimas semanas as enquisas. Un resultado que tamén apuntaban as sondaxes a pé de urna das 20 horas do 12 de xullo. Tan só a da CRTVG apuntaba a unha alternativa ao Partido Popular en Monte Pío, a residencia oficial dos presidentes nacionais, mais finalmente o desgaste de Feixoo non foi tal e logrou un asento máis no Parlamento da Galiza que en 2016, un total de 41: 14 pola circunscrición da Coruña, 9 pola de Lugo, 8 pola de Ourense e 10 pola de Pontevedra. Co 99,96% dos votos escrutados e sen o voto CERA, o PP suma 624.972 papeletas, fronte as 682.150 de 2016 e o 47,98% fronte ao 47,56%. O nacionalismo galego, representado no BNG de Ana Pontón, logrou superar todas as enquisas e conseguiu o mellor resultado da súa historia, con 19 escanos: 7 pola circunscrición da Coruña, 3 pola de Lugo, 3 pola de Ourense e 6 pola de Pontevedra. Desta maneira, a formación nacionalista excede as cifras dos comicios de 1997, cando obtivera 18 representantes, 395.435 papeletas e o 24,6% dos apoios. Daquela o PP de Fraga chegara aos 42 asentos, 832.751 votos e o 51,9% dos apoios, e o PSOE de Abel Caballero, que se presentara con Esquerda de Galicia, sumara 15 escanos, 310.508 papeletas e 19,3% dos apoios. Co 99,96% do escrutinio e sen o voto CERA, o BNG consegue 310.077 votos, fronte aos 119.446 de 2016, e 23,8% do apoio, fronte a 8,33% de 2016. O PSOE de Gonzalo Caballero fica relegado á terceira formación política do hemiciclo galego con 15 escanos, os mesmos que en 2016. O partido socialdemócrata non consegue rendibilizar na Galiza o seu liderado á fronte do Goberno estatal e fica con 4 representantes pola Coruña, 2 por Lugo, 3 por Ourense e 6 por Pontevedra. Entre o 90 e o 99,82% dos votos escrutados bailou un dos escanos desta última circunscrición, que se debatía por momentos entre o PP e o PSOE. Finalmente foi o partido de Caballero quen apañou o asento que se disputaba. Co 99,96% escrutado e sen contar co voto CERA, o PSOE logra 252.488 votos, fronte aos 256.381 de 2016, e en porcentaxe o 19,38% fronte ao 17,87% de 2016. Tampouco logrou capitalizar a súa presenza no Goberno español Unidas Podemos, que fica sen representación ningunha na Galiza. Concorrían Podemos, Izquierda Unida e Anova baixo o nome Galicia en Común e co deputado en Madrid Antón Gómez-Reino como candidato á Presidencia da Xunta, quen cualificaba de "fracaso" os resultados "inesperados". Sumaron, co 99,96% dos votos escrutados, 51.212 papeletas, o 3,93%. A derrota do proxecto da extinta En Marea tamén o evidencia a formación política de Pancho Casal, que mesmo queda por detrás de Vox, Ciudadanos e Pacma en apoios, só 2.862, o 0,22%. A coalición chegara a ser líder da oposición en 2016, seguida por poucos votos polo PSOE, con 14 representantes, 273.523 papeletas e o 19,07%. Os ultraespañolistas de Vox, malia apostar forte na campaña, coa presenza continuada dos principais dirixentes da formación, e malia a cobertura mediática que lle outorgaron os grandes grupos de comunicación, non lograron presenza ningunha no Hórreo e só sumaron o 2% dos votos, 26.474 papeletas que volven demostrar que as nacións sen Estado son o dique de contención de Vox. Ciudadanos, pola súa parte, non chegou ao 0,75% dos apoios, con 9.714 papeletas.
PRAZA_19088
Gayoso, Pego, Gorriarán, Rodríguez Estrada e Pradas están xa na cadea por orde da Audiencia Nacional, que rexeita suspender a súa condena a dous anos de prisión pola gravidade dos feitos Toda a oposición galega insta a reabrir xa a comisión de investigación das caixas
Toda a oposición galega insta a reabrir xa a comisión de investigación das caixas A Audiencia Nacional enviou este luns á cadea aos ex-directivos de Novacaixagalicia condenados polas prexubilacións millonarias que se concederan. A orde foi ditada contra Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego, Gregorio Gorriarán, Óscar Rodríguez Estrada e Ricardo Pradas. Os cinco xa están na prisión, segundo confirman a Praza.gal fontes xurídicas. A Audiencia Nacional rexeita a habitual suspensión da execución das condenas de dous ou menos anos de cadea Malia que foran condenados a dous anos de prisión -unha pena que é suspendida en case todos os casos ao non superarse os 24 meses- neste caso a Sección Terceira da Audiencia Nacional rexeitouno e considera que a gravidade da actuación dos ex-directivos, no medio dun proceso que acabou coa desaparición das caixas e o rescate do que quedaba delas por máis de 9.000 millóns de cartos públicos, empurra a que a condena se cumpra de maneira efectiva. A nova -que supón a primeira pena de prisión a directivos bancarios nos numerosos escándalos financeiros no Estado- chega catro meses despois de que o Supremo ratificase a condena da Audiencia Nacional pero a declarase "exigua" e "desproporcionada", pero non polo seu exceso senón por mínima. Este ditame do tribunal tamén é considerado para agora ordenar a detención dos ex-directivos das caixas, como confirman tamén fontes do TSXG. A Audiencia ten en conta a gravidade dos feitos, o ditame do Supremo e que os condenados aínda non devolvesen os cartos Ademais, para acordar o ingreso en prisión a sección terceira da Sala do Penal tivo en conta tamén que os condenados non devolveron os cartos que se fixaron en sentenza e que teñen aínda causas pendentes coa xustiza. Pego, Gayoso e Rodríguez Estrada pasaron xa a noite na prisión pontevedresa da Lama tras ser detidos en Vigo, mentres que Gorriarán e Pradas foron arrestados en Madrid. O Tribunal Supremo aclaraba que os directivos levaron a cabo "inequívocos actos apropiatorios con fins de lucro persoal" e non "meros excesos ou abusos" no marco das súas competencias. E insiste en que os seus actos "non poden interpretarse como o resultado de actos de deslealdade co patrimonio administrado ou froito de decicións equivocadas na administración", senón que fixeron súas as cantidades millonarias "a través dun mecanismo expropiatorio que vai moito máis alá da adopción de actos erróneos na administración". O Supremo confirmara a condena da Audiencia Nacional pero considerouna "exigua" A nómina de encarcerados encabézaa quen fora amo e señor de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, que non se asignou indemnización ningunha pero a quen o tribunal considera responsable do acontecido. Canda el, José Luis Pego, antigo director xeral da caixa fusionada, a cal abandonou cunha compensación de 7 millóns de euros; Gregorio Gorriarán, que fora responsable da división inmobiliaria da entidade e levou unha indemnización de case 5 millóns; e máis a Óscar Rodríguez Estrada, responsable da "integración" das caixas indemnizado con 700.000 euros. O avogado Ricardo Pradas, asesor de confianza de Gayoso completa unha nómina de condenados e agora detidos que, segundo a sentenza da Audiencia Nacional, cometeron un delito de administración desleal "en concurso cun de apropiación indebida, na súa modalidade de xestión desleal". Ademais da pena de dous anos de prisión e a devolución dos cartos (que o Supremo rebaixou), os ex-directivos tiveron que pagar unha multa de 250 euros ao día durante dez meses e ficaron inhabilitados durante o tempo da condena para "o emprego que desempeñaban cando realizaron os feitos". Méndez e García de Paredes, libres Gayoso dá unha aperta a Mauro Varela (Caixa Galicia) no acto de sinatura da fusión, en 2010, en presenza de Feijóo / Conchi Paz A Audiencia Nacional xulgou e sentenzou sobre as indemnizacións (18,9 millóns en total) que estes executivos se autoadxudicaran en 2010 desde os despachos máis altos daquela entidade, Novacaixagalicia, sociedade efémera que naceu da fusión de Caixa Galicia e Caixanova antes de ser vendida polo FROB. A súa detención será un novo episodio escuro do denominado capitalismo feudal das caixas en Galicia. Méndez librouse do preito tras pactar a súa saída de Caixa Galicia antes da fusión Con todo, a salvo de sentenzas xudiciais quedan outros privilexios como os plans de pensións tamén millonarios establecidos nas antigas caixas de aforros. O propio Pego acumula un fondo de 10,8 millóns. A Javier García de Paredes, director adxunto de Novacaixagalicia e absolto no caso das indemnizacións correspóndenlle 5,1 millóns. Gregorio Gorriarán ten 9,2 millóns e Óscar Rodríguez, 8,1. José Luis Méndez, ex-director xeral de Caixa Galicia, librouse do preito das indemnizacións tras pactar a súa saída a tempo, en 2010, cando o Banco de España, tras ver os números da entidade e a súa exposición ao ladrillo, considerou o banqueiro incompatible con calquera plan de futuro. Cobrou por marchar 18 millóns de euros, exactamente a cantidade que esixiu para afastarse do proceso de fusión. Un país sen caixas
NOS_12249
A central sindical aposta por poñer os coidados no centro das políticas públicas
A CIG realizou concentracións nas sete cidades galegas en demanda dunhas pensións públicas dignas e garantidas e dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas. Durante as mobilizacións, convocadas polo Colectivo de Persoas Xubiladas e Pensionistas da central sindical, instouse aos Gobernos español e galego "a poñer os coidados no centro das políticas públicas". Dende a CIG inciden en que a crise sanitaria derivada da pandemia da Covid-19 evidenciou a necesidade de incrementar os investimentos públicos en servizos de atención ás persoas. Por iso a central sindical está a desenvolver unha campaña en demanda dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas na que se insiren as concentracións que tiveron lugar esta quinta feira. Con estas mobilizacións quérese reclamar tamén unhas pensións públicas dignas e garantidas, xa que á vista das recomendacións do Pacto de Toledo "todo indica que a reforma das pensións que se está a tramitar consolidará os peores aspectos das reformas de 2011 e 2013".
NOS_46275
O alcalde de Pontevedra afirma que "loitará por terra, mar e aire" para que se revogue a decisión adoptada polo goberno en funcións de manter a pasteira na Ría até 2073. "É unha decisión vergoñenta e anti-democrática", di Lores en conversa con Sermos Galiza.
"Son un pouco inxenuo, pensei que non se atreverían a tanto". Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) responde cun deixe de ironía á pregunta de se agardaba unha prórroga así para ENCE, adoptada por un goberno en funcións e con opcións máis que dubidosas de recuncar. O alcalde de Pontevedra fala con paixón do que podería ser Pontevedra "sen ese tapón que é Ence", ao tempo que denuncia como a pasteira condiciona a planificación do monte galego ou detense no que esta decisión da prórroga supón en canto a evidenciar a "supeditación" do público ao privado. - Imaxinaba unha decisión así, un goberno en funcións concedendo unha prórroga a ENCE por 60 anos? - Son un pouco inxenuo, pensei que non se atreverían a tanto. O certo é que é unha decisión irresponsábel, un atentado á democracia, un atentado contra o sentido común. Un desprezo aos pontevedreses feito por este goberno en funcións. Supedita a calidade de vida dos veciños a unha empresa, supedita este país aos intereses dun consello de administración. Esta decisión é un exemplo de libro de como o poder político se supedita ao poder económico, isto non pasa en ningún país serio. - Por que cre que esta decisión se adoptou agora, cun goberno en funcións? - O aparato deste Estado está máis por defender os intereses económicos dalgúns que os intereses xerais. Neste tema hai moitas cuestións a tocar: por exemplo, como o goberno permite unha actividade que non é compatíbel co espazo marítimo-terrestre. Ou ben como se toma a decisión da prórroga saltándose competencias da Xunta, como a ordenación do territorio. Chégase ao ponto de modificar a Lei de Costas para permitir que siga ENCE, faise política para defender intereses particulares... "A decisión é claramente anti-democrática pois adóptase contra o criterio e posicionamento das dúas institucións máis próximas ao problema, que son o Concello e a Deputación" Para alén disto, a decisión é claramente anti-democrática pois adóptase contra o criterio e posicionamento das dúas institucións máis próximas ao problema, que son o Concello e a Deputación. - Ambas teñen solicitado hai pouco que non se concedese prórroga algunha O goberno vén de regalarlle a unha empresa privada máis de mil millóns de euros, que sería o que lle custaría o traslado, a modernización, a recuperación do espazo degradado. E iso que ENCE xa sabe o que son os regalos, que ten subvencionada nun 95% o canon da auga. Esta empresa ten axudas e subvencións, o que é un agravio comparativo mesmo desde o punto de vista da competencia capitalista. A Ría de Pontevedra é algo único no mundo e podiamos estar a mellorala aínda máis, facendo de Lourizán un espazo público para o esparcemento, apostando en políticas ambientais e de emprego sostíbel... - Desde o Concello e axentes sociais e políticos xa anunciaron que ían responder a esta prórroga - Imos loitar por terra, mar e aire, con todos os recursos posíbeis, para que se revogue a prórroga. A decisión non é firme, así que hai marxe para actuar. Non imos escatimar recursos políticos, xudiciais e sociais. Se houbo un momento no que até o PP se posicionou a prol de retirar ENCE iso foi porque tiñan a percepción de que non facelo tiña un custo. A xente ten que moverse, presionar. "En Madrid está a sede de ENCE, que paga alí os impostos embora aquí soportemos os efectos da actividade. En Madrid toman as decisións..." - ENCE apresurouse a xustificar a prórroga no gran investimento económico que ía facer e desde o Ministerio os argumentos baseáronse en que garantizaba centos de empregos... - Eu son respetuoso con todas as decisións. Eu entendo que a nivel individual haxa xente que defenda isto porque depende o seu traballo. Mais as institucións están para mirar polo interese xeral e pola maioría social. Para o PP os únicos empregos que importan son os de ENCE. Os miles e miles que destruíron nestes anos en todos os sectores, desde a administración pública a outros, non importan. ENCE é un tapón tamén para o noso desenvolvemento económico e ambiental, empobrece o noso monte e a nosa ría, só beneficia o seu Consello de administración e os accionistas. Impide a enorme potencialidade que podía haber de crear empregos no sector primario, secundario e terciario en torno a unha Ría saneada e sostíbel. - Desde o nacionalismo enmárcase a prórroga a ENCE nun marco no que Galiza carece de soberanía, de poder de decisión - Efectivamente. Mais aquí tamén hai outra cuestión, que é a incompetencia total dos gobernantes que hai na Xunta de Galiza, que non son quen de facer valer as competencias que temos. Iso é unha vergoña. E despois, claro, o aparato do estado nestá ao servizo do que está, e non é Galiza precisamente. En Madrid está a sede de ENCE, que paga alí os impostos embora aquí soportemos os efectos da actividade. En Madrid toman as decisións...
NOS_42596
A Comisión Galega da Competencia estima que as prórrogas da concesión da AP-9 a Audasa "non poden ser ben valoradas desde o punto de vista da competencia". Advirte ademais de que as compensacións á empresa polas obras de Vigo e Santiago son "excesivas" e poden ser consideradas como axudas de Estado.
Un informe da Comisión Galega da Competencia sinala que "as sucesivas prórrogas dos prazos da concesión da autoestrada AP-9 á empresa Audasa non poden ser ben valoradas desde o punto da competencia". O documento deste órgano colexiado independente, adscrito ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia da Xunta da Galiza, sinala tamén a "duración excesivamente longa da concesión" o que implicou "unha alteración dos factores económicos, sociais, da mobilidade e tecnolóxicos que se tiveron en conta no momento do seu outorgamento". Fixéronse tres prórrogas da concesión: a primeira en 1977, da man do Goberno da UCD no Estado; seguiuna en 1994 a do Executivo de Felipe González (PSOE), e a máis longa foi a de José María Aznar (PP). que no ano 2000 outorgou a Audasa unha prórroga até 2048. Precisamente, o Executivo de Aznar privatizou en 2003 a empresa pública ENA (Audasa), coa AP-9 como grande activo, vendéndoa a un consorcio liderado pola empresa Sacyr. Esta compañía fichou dous anos despois para o seu consello de administración Rafael Arias-Salgado, ministro de Fomento cando Aznar ordenou a concesión. As compensacións a Audasa serían "axudas do Estado" O informe de Competencia estima que as compensacións á concesionaria Audasa polas obras de ampliación da autoestrada nos accesos a Vigo e Santiago de Compostela (aprobadas por Real Decreto en 2011 coa sinatura do polo entón ministro socialista José Blanco) son "excesivas" e poden ser consideradas como "axudas de Estado". Nese sentido, o informe remarca que a empresa tería percibido "unha compensación moi superior" á cantidade achegada polo financiamento das obras, "podendo constituír unha axuda de Estado". Cada vez é maior "a enxeñaría creativa dos Estados para tratar de evitar a obriga de ter que comunicar unha axuda como axuda estatal", advírtese entre os 14 puntos das conclusións do informe. Precisamente, nesas conclusións, o órgano lembra que a contratación pública "debe axustarse aos principios de liberdade de acceso" ás licitacións, publicidade e transparencia dos procedementos, de non discriminación e igualdade de trato entre os licitadores. A explotación dunha estrada de peaxe -en calquera das súas modalidades- e, por tanto, as concesións de autoestradas con contratos de concesión de obra pública destinados á construción e explotación "constitúen unha actividade económica". Así, ao constituír unha actividade económica, as medidas que beneficien as empresas explotadoras desas infraestruturas "poderán ser consideradas como xenuínas axudas de Estado" A continuación, o informe apunta que as axudas a esas empresas concesionarias son unha das manifestacións de intervención pública na actividade económica e, por tanto, "un factor externo nas propias forzas do mercado que pode comportar problemas desde o punto de vista da competencia polo seu potencial efecto distorsionador". É aí cando estima que as sucesivas prórrogas da concesión da AP-9 "non poden ser ben valoradas desde o punto da competencia". Nese sentido, o informe engade que a concesión, unha vez adxudicada, "implica un monopolio legal en favor do concesionario e o feche do mercado ao resto de operadores até o momento en que volva saír a licitación, polo que as sucesivas prórrogas impiden a concorrencia deses operadores, desaparece o mercado e a competencia en prexuízo da propia Administración e dos consumidores que non se poderán ver beneficiarios das vantaxes dun mercado en competencia, con mellores servizos e mellores prezos consecuencia do traslado de eficiencias aos usuarios finais". As tarifas non deberían subir en 10 anos Competencia tamén advirte que hai varios plans económicos financeiros na concesión da AP-9, polo que "expón o problema de determinar en que medida están vixentes algunhas das cláusulas contidas" no primeiro. Entre os ofrecementos complementarios, atópanse algúns de "especial relevancia como o da renuncia total pola concesionaria á revisión das tarifas durante os dez últimos anos do período concesional". O pleno da Comisión "estima que continúan vixentes eses ofrecementos complementarios e, por tanto, deben de ser aplicados ao concesionario". Un beneficio inxustificado E en relación ao sistema de compensación previsto no decreto asinado en 2011 por José Blanco, Competencia considera que o cálculo do sistema de compensación "debería deseñarse exclusivamente co obxectivo de que a empresa concesionaria Audasa puidese recuperar os custos do investimento executado como consecuencia da ampliación de capacidade deses tramos [accesos de Vigo e Santiago]". Porén, remarca que "en ningún caso" as compensacións deberían servir "para xerar pola vía de incremento das tarifas autorizadas polo Ministerio un beneficio inxustificado para a empresa concesionaria derivado do adianto do investimento". Tamén advirte do sistema "certamente complexo", xa que non se realiza por medio de entrega directo, senón a través dun incremento "que deberán abonar os usuarios", o cal é aprobado polo Estado. PP e PSdeG evitan que se reprobe os Gobernos que fixeron as prórrogas O informe da Comisión Galega da Competencia chega despois de que no pasado mes de setembro a Comisión Europea considerara ilegais as prórrogas da concesión da AP-9 por seren concedidas sen cumprir as normas da UE. Neste contexto, o deputado do BNG Luís Bará reclamou no Parlamento galego esta terza feira, 26 de outubtro, "un pronunciamento" da Cámara ao tempo que demandou reprobar os diferentes Gobernos que promulgaron unhas concesións que "provocaron moitos agravios aínda sen resolver". O voto desfavorábel do PP e a abstención do PSOE impediron que prosperase a iniciativa. Bará sinalou que as decisións dos diferentes Gobernos coas prórrogas "están baixo sospeita, bordeando a prevaricación e o desvío de poder".
NOS_54469
A cidade viguesa será epicentro o vindeiro 15 de xuño dunha manchea de actividades organizadas pola Plataforma galega polo dereito ao aborto.
Manifestación, reivindicación, festa, convivio, compromiso, ledicia, militancia, música, feira... Palabras todas elas que o vindeiro sábado 15 de xuño han se escribir de lilá en Vigo da man da Plataforma galega polo dereito ao aborto. Desde as 11:30 horas até as 18:00. Unha xornada para reivindicar, festexar e partillar a lóxica contra o patriarcado. Ás 11:30 horas hai unha concentración na Praza da Estación de Vigo para acoller ás participantes procedentes de toda Galiza. Media hora despois partirá a manifestación, que percorrerá rúas e prazas da cidade que Urbano Lugrís cualificaba de 'xouba city' até o Sereo. Unha marcha na que o protesto irá da man da alegría reivindicativa e feminista. Mais hai moito Máis no programa: asembleas abertas, xantar popular, actuacións (Isabel Risco mestra de cerminonias e música de Habelas Hainas, Teta's Band...). E unha romaría feminista, con postos de todo tipo e obradoiros...
NOS_30001
A principios de maio comezaron os altercados. A falta de cría de mexillón en zonas como a Illa de Arousa, Portonovo ou Sanxenxo trasladou a súa captura nun principio a Cangas e logo a otros municipios. Algúns bateeiros aseguran que o outro colectivo quere venderlles a mexilla e desde os percebeiros afirman que se danan os seus bancos de percebe. Unha situación difícil cando os dous sectores contan con autorización.
Os enfrontamentos dos últimos días entre bateeiros e percebeiros pola extracción da cría de mexillón en distintas zonas da costa galega trouxeron de novo á actualidade a dificultade existente na coordinación e na convivencia entre ambos os colectivos. Malia que a extracción da cría do mexillón e do percebe, localizadas no mesmo hábitat, está regulada por lei, en momentos de falta de mexilla en zonas habituais, como Sanxenxo, os bateeiros procuran atopala noutros lugares da costa. Reunións sen resultado Houbo xa varias reunións coa mediación da Xunta entre ambos os colectivos. Na do pasado 14 de maio en Vilagarcía de Arousa as dúas partes puxeron de manifesto que a idea era evitar conflitos nas diferentes zonas de explotación. As federacións de confrarías e asociacións de bateeiros trasladaron daquela as propostas que xurdiron para que o seu colectivo puidese aprobalas e buscar atallar as discrepancias que se rexistran cando coinciden en zonas de traballo. Era a maneira de lograr unha solución que contase co asentimento de todas as partes e, ao mesmo, tempo, atinxir unha explotación responsábel de percebe e de mexilla. Desta reunión saíu a proposta de reservar as zonas que están sendo obxecto de conflito entre ambos os sectores, de maneira que tanto percebeiros como bateeiros poidan realizar unha explotación sustentábel dos seus recursos. Por outra banda, coa vista posta no futuro, a Consellaría do Mar e os dous colectivos acordaron analizar as diferentes zonas de traballo dos percebeiros e as de maior abundancia de mexilla para avanzar na xestión de ambas as dúas especies de maneira conxunta. Semana conflitiva Malia ese inicio de conversas, os conflitos sucedéronse nos últimos días. Esta pasada segunda feira foi na Guarda, o día 19 na Coruña e o día 20 en Muxía. Nesta última ocasión tivo que intervir o alcalde da localidade, Iago Toba, que defendeu a posición dos percebeiros. "Buscan impresionar dunha forma visual", indica Toba en relación ás negociacións que se levan a cabo coa mediación da Consellaría do Mar. Percebeiros e percebeiros saben que o sector da batea ten permiso para traballar en toda a costa, mais solicitan que se faga naqueles lugares onde non hai percebe e si mexilla. Por parte da Organización de Produtoras de Mexillón da Galiza (Opmega) afirman que queren que a Xunta delimite sobre plano onde non se pode extraer. Afirman que a pasada segunda feira acordaron solicitar á Consellaría do Mar as zonas onde terían prohibido extraer cría de mexillón até o día 30 de xuño, cando remataría a campaña actual. Analizar zonas de traballo Na última xuntanza mantida onte entre os colectivos, coa participación da Consellaría do Mar, reiterouse o compromiso das dúas partes de buscar unha solución transitoria de preservar as zonas de discrepancia pola extracción común de mexilla e percebe. Para ter unha solución definitiva analizarán as diferentes zonas de traballo para avanzar na xestión responsábel de ambas as especies de maneira conxunta.
NOS_35665
O Sergas citará os docentes por orde alfabética e priorizará os de educación Infantil. Sanidade prevé que todos os docentes menores de 55 anos estean vacinados a finais de marzo. Desde a CIG alertan que "a descoordinación é nestes momentos a tónica xeral no comezo da vacinación do profesorado".
Todos os profesores e profesoras menores de 55 anos estarán vacinados a finais do próximo mes de marzo. É o obxectivo do plan de vacinación dos docentes presentado esta terza feira pola Consellería de Sanidade, co que se busca dar saída canto antes ás doses dispoñíbeis da vacina de 'AstraZeneca', segundo os parámetros fixados polo Consello Interterritorial de Saúde e a propia Xunta. O proceso, que abarcará perto de 50.000 profesoras e profesores galegos, programará as citacións por orde alfabética e priorizará ás etapas que, polas características da modalidade de ensino, manteñan unha interacción máis estreita co alumnado. Deste modo, segundo explicou o titular de Sanidade, Julio García Comesaña, a intención é empezar cos mestres "dos máis pequenos", en educación Infantil, e posteriormente vacinar en paralelo os docentes de Primaria e Secundaria. A vacinación a profesores será por orde alfabética para non alterar a docencia. O vindeiro sábado iniciarase o cribado da poboación estudantil das tres universidades galegas Porén, desde a CIG alertan que "a descoordinación é nestes momentos a tónica xeral no comezo da vacinación do profesorado. Mentres os conselleiros de Sanidade e Educación afirman que só se vacinan menores de 55 anos, hai docentes maiores desa idade que xa están neste momento vacinados coa 1ª dose". Ademais, o deputado do BNG responsábel de educación, Manuel Lourenzo, vén de denunciar "o caos que se está a producir nos primeiros días de vacinación do profesorado no hospital Montecelo", con "dúcias de ensinantes amoreados e un mecanismo de vacinación nos que se mesturan maiores e menores de 55 anos sen nengún tipo de criterio, e que contradí as propias mensaxes da consellaría de Educación"
NOS_38347
Do gaucho Martín Fierro recolle a frase "canto opinando que é o meu modo de cantar" para se presentar. Sés está de volta co seu terceiro disco, Tronzar os valos despois do extraordinario recibimento que tiveron os anteriores Co xenio destrozado e Admirando a Condición. As súas cancións queren agora tronzar valos, eliminar rúas prohibidas e convidar a pensar.
-Co seu terceiro disco aposta por Tronzar os valos, que significa ese desexo? No momento en que escribín as cancións vin que esa era a idea que máis se repetía ao longo dos temas, tanto tronzar valos individuais como sociais, en resposta a todo o que está pasando. O certo é que hai máis pouso colectivo, social, de cansanzo desde o nós. Estamos cansos, estamos cansas. -Como se sitúa con respecto aos dous anteriores traballos que foron tan ben acollidos? Igual, a aceptar o que a xente decida. Eu aprendín máis, a expresarnos aprendemos expresándonos.Supoño que acontecerá igual que coas avoas que non cociñan así porque si, senón porque levan moitos anos. A sinceridade, a honestidade, é a mesma que nos anteriores mais imos aprendendo, imos facendo anos. -Honestidade e sinceridade é o quere ofrecer entón nestas doce cancións? E o orgullo, a crenza absoluta de que aceptarse a un mesmo, partir da dignidade de vivir honestamente, en paz co que somos é a única forma de existir, de ser verdade. Sempre digo que prefiro ser merda que ouro falso, e son o que ves aí para ben e para mal. Creo que este disco é moi humilde, nada pretencioso, Fíxose tentando que as cancións fosen bonitas, mais sen máis pretensións. Por exemplo, "Como eu canto" é unha canción moi sincera, a guitarra é miña, non quería unha canción virtuosa senón sinxela. Hai quen se estrañou que non rompera a arder mais tiña que ser tranquila, sentir a paz da persoa que a canta e o seu universo, sen estoupar nada. Que deixase un sorriso e un pouso agradábel, que se reflectise a sobriedade, sen máis artificio porque a melodía e a letra teñen poder de sobra, con sinxeleza e a escrita ao xeito tradicional. -Consegue que algún dos temas teñen sons latinoamericanos con ritmo de muiñeira. Iso acontece simplemente "sendo". Son cantareira mais levo consumindo moito tempo música latinoamericana, moita caribeña. Son cantareira, digo, e nacín onde nacín e son neta de muller que cantaba muiñeiras. O lóxico é que saia así, dese substrato, coas influencias normais da miña xeración. O natural é que se deixas saír o que hai, saia unha mestura, unha cantareira galega, descendente de mulleres que cantaban tradicional mais que escoita durante toda a súa vida nova trova, rock&roll e cantautores. Cando eu canto esa música, ao final, estou cantando tamén a miña e son músicas que a nivel métrico, temático e estético comparten moito. -A súa é unha actitude de cantautora? De cantautora e de cantora. De persoa que canta desde abaixo, pertencendo ao pobo, no meu caos máis aínda porque eu son unha muller normal e corrente. Mercedes Sosa era unha estrela mundial e non deixaba de ser cantora, como Violeta Parra ou Víctor Jara que eran tamén cantores porque a súa voz nunca se alonxou do pobo no que naceron e do que tan orgullosos estaban. A frivolización, os aires de grandeza, non se ven nos cantores e chegaron a ser case líderes sociais porque polo seu carisma eran seguidos polo pobo, eran a voz do pobo. Non eran diferentes das persoas que protestaban. A honestidade e a verdade é a mesma, sen frivolidade. Agora todo é frivolidade, non hai case paixón. O meu técnico de estudio, un día gravando, mirábame e preguntábame: "Ti realmente cres que podemos construír unha sociedade mellor?" Claro que o creo, cegamente. -Tronzar os valos reflicte esa ilusión por un tempo novo? Si, rotundamente. Cando digo cansazo é fartura. Estou farta do abuso e da resignación, mais o disco é moi vitalista. A actitude crítica e analítica non poden máis que ensinar unha realidade moi desgrazada, mais temos que mentalizarnos de que é moi urxente levantarse, erguerse desde a vitalidade, a ilusión e a forza. - A onde conduce esa postura? Que significa ese erguerse desde a fartura? Liberarse da educación na desidia, na indiferenza, que non nos dea igual o que lles aconteza ás persoas que temos ao noso carón, a necesidade de aprender a pensar. O máis necesario é unha revolución cultural, iso é o que nos salvaría, que a xente en lugar de perpetuar este proceso de devaluación cultural, de entretemento barato, de ocio individual deshumano e morte do social se erguese e aprendese a pensar libremente. Agora hai masa, non hai pobo. Para volver a ser pobo precisamos unha revolución cultural, un sistema educativo queensine a pensar e a sentir, e que os adultos nos obriguemos a buscar esa aprendizaxe. Comezar a esixirse. -A música pode servir para ese obxectivo? Estou farta de sentir pallasadas, que a música non debe expresar opinións. E quen di esas toterías despois pon no facebook videos de Víctor Jara... incongruencias. A arte é, por definición, é expresión de sentimentos. Eu, e todos os que realmente se expresan artísticamente, exteriorizamos as nosas realidades: emocional, intelectual e social. E a realidade política e a social son indisolúbeis, porque a política é todo; é que poidas estuar e que te poidas curar nun hospital, é o que rixe as nosas vidas públicas e íntimas. Facer arte é expresar sentimentos e un dos maiores é a frustración do sistema xenocida que condena a morte a millónsde traballadores que están producindo capital para catro señores, que son os seus donos. Sinto esa realidade e síntea todo o mundo, e o normal é a fartura de ver os meus compañeiros de clase nesa situación, traballando de sol a sol mentres os poderosos presumen de opulencia. Porque eu teño conciencia de clase. E o peor é o síndrome de Estocolmo que fai que os oprimidos soñen con ser opresores. Vólvome misántropa perdida. Non creo que ninguén que diga que a música non debe ser un medio de expresión de ideas (qué están irremediabelmente ligadas aos sentimentos) lese nunca nada sobre filosofía da arte. -No disco cántase contra o opio que adormece mais non é tamén moito o medo o que se está a impoñer? Hai moito medo. Cambiar as cousas require expoñerse e vivimos nun momento de represión brutal. Con xente con tanto poder é normal que medre o medo mais somos moitísimos e se as paredes caen, o tellado cae. A poeta madrileña Ajo di que "No hay peligro suficiente para tanto miedo como tenemos". Creo que é así. Somos moitos contra catro. Hai moitos motivos da pasividade e un deles é o medo, outro é a alimentación do opio actual, a televisión, os medios... mais o principal é o sistema ignorante como nunca. Non vivín un momento no que houber tal desprezo pola cultura como hai actualmente, tal ignorancia orgullosa. A televisión bombardéanos con persoas ignorantes e orgullosas de selo. A grande meta é material e créanse psicópatas sociais, normalizase a dor, a miseria... Antes o opio era só a relixión, agora son moitos, o fútbol, a cocaína, o gran hermano... e é brutal o seu efecto anestesiante. A xente está durmida e rexeita areflexión, non quere falar, nin escoitar. Faise apoloxía do apoliticismo e iso é terrible, penso como Bertolt Brecht que declararse apolítico é vergoñento, a política é xestión de recursos e é o que fai que poidamos, ou non, vivir. -O terceiro disco define xa unha maneira de facer música, consolida uns sinais de identidade da autora? Non define nada, nin que vaia vivir desto sempre nin que non. É un disco máis e eu seguirei sacando discos mentres considere que teño algo que dicir e mentres a xente os queira escoitar. No momento en que isto non aconteza agardo saber parar. Traballei de moitas cousas diferentes e podo volver facelo. Non lle dou máis significado ao primeiro, ao segundo ou ao terceiro. Non me parece san que os propios artistas invirtan tempo en falar sobre a súa propia "carreira". Non lle dedico nin un segundo a pensar onde estou e onde estiven. Adícome a estudar, a vivir e facer cancións, sen autoexploración da miña traxectoria, mellor lle iría ás artes se todos fixesemos o mesmo. -Suaves baladas e ritmos rockeiros, como se mesturan tantos rexistros nun único traballo? Porque significa ser de verdade. Hai días nos que me levanto e poño rock and roll e outros nos que o corpo me pide Nana Mouskouri. Ás veces pregúntome se a xente só ten un estado de ánimo. Se todo o mundo fose honesto compoñendo probabelmente o panorama sería máis variado. Dáme pena cando non vexo paixón pola música en xente que se dedica a ela, é desolador. Eu adoro a música e creo que son valente, no sentido de expresar os meus sentimentos reais e as miñas debilidades. Fai falta valor para cantar espida ea min encántame escoitar a quen o fai. -Cal nace con máis facilidade? Son cariñosa e romántica no sentido estrito do termo. Sempre fun moi intensa e desde esa intensidade nace a verdade. Ás veces choro que me mato e choro moitísimo, mais cando quero facer festa, fágoa, porque teño moita alegría dentro. Gústame bailar, rir, facer bromas e que mas fagan. Cando me poño a cantar, no escenario, procuro facelo desde o sentimento en que cada tema foi composto. Levo moito tempo dando concertos e nese tempo tiven días moi tristes e outros moi alegres. Non son de xeo e iso percíbese.
PRAZA_6662
O Tribunal da Unión Europea considera que a exención fiscal da que gozan os estaleiros públicos poden ser ilegais, pero aclara que lle corresponderá á xustiza española comprobalo e deixa a decisión en mans do xulgado de Ferrol.
O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) considerou este xoves que as exencións fiscais aos estaleiros públicos de Navantia poderían constituír axudas de Estado ilegais, aínda que aclarou que lle corresponde á xustiza española comprobalo. O tribunal europeo cre que as exencións fiscais a Navantia poden ser axudas ilegais A exención do Imposto sobre Bens Inmobles da que se beneficia a empresa pública Navantia podería constituír unha axuda de Estado prohibida pola lexislación europea, segundo a sentenza emitida polo TXUE. O alto tribunal comunitario deixa agora en mans do xulgado da localidade galega de Ferrol, que iniciou a consulta sobre o caso, analizar se en realidade é así. Este xulgado comezara a devandita consulta no pasado mes de outubro ao preguntar ao tribunal de Luxemburgo se é compatible coas normas comunitarias "que un Estado membro poida establecer unha exención fiscal sobre un terreo da súa propiedade cedido a unha empresa privada de capital integramente público (Navantia SL) na que esta subministra bens e presta servizos que poden comerciarse entre Estados membros". O alto tribunal da UE deixa en mans do xulgado ferrolán decidir sobre unha exención fiscal pola que manteñen preito Navantia e Defensa co Concello Trátase dun ditame sobre o preito de Navantia e o Ministerio de Defensa contra o Concello de Ferrol polo cobro do IBI dos terreos nos que se sitúa o estaleiro. En realidade, é unha cuestión prexudicial que elevou ante o Tribunal da UE o xuízo do contencioso-administrativo de Ferroo, Cristóbal Pintado, tras un recurso contra a denegación por silencio administrativo da solucitude de exención do imposto e contra unha resolución do concelleiro de Facenda pola que se desestimaba o recurso de resposición contra a liquidación do IBI imposto en 2010. A demanda na que se solicitaba a exención do IBI foi admitida a trámite en xuño de 2011 e o Concello personouse como parte demandada, para logo Navantia ampliar a reclamación solicitando a exención dos exercicios seguintes a 2010. O xuíz explicaba no auto que esta cuestión prexudicial pretende analizar a compatibilidade co artigo 107 do Tratado de Funcionamento da UE dunha exención fiscal da que se beneficia unha empresa privada, aínda que aclara que o capital desta pertence integramente ao Estado e que os traballos son fundamentalmente para buques españois ou doutros países. Defensa e Navantia solicitaron en 2008 unha exención fiscal que foi denegada polo Concello e impugnada ante os tribunais O Concello de Ferrol liquida cada ano o IBI cunha cota que supera o medio millón de euros. O xuíz entende que o suxeito pasivo do imposto é o Estado polo que é a factoría a que ten que soportar o custo final do imposto e quen finalmente se beneficia da exención. A administración local si percibiu desde antes de 2007 a cantidade, pero en 2008 Defensa e Navantia solicitaron a exención que foi denegada polo Concello e impugnada ante os tribunais. O TSXG revogara unha sentenza do xulgado do contencioso e declarou que si había lugar a recoñecer a exención fiscal, pero para o maxistrado esta exención podería implicar unha axuda estatal ilegal que falsea ou ameaza falsear a competencia. Por outra banda, e nesta mesma mañá, traballadores dos estaleiros ferroláns saíron en manifestación desde Esteiro ao Arsenal militar volvendo reclamar carga de traballo para Navantia e poucos días despois de que a empresa confirmase o traslado de parte do flotel que se vai construír na ría ao de Puerto Real, en Cádiz. >> HABERÁ AMPLIACIÓN
PRAZA_24
A xustiza abre dilixencias contra Rubén Cela, Paulo Carballada e Alfonso Losada tras un atestado policial que os acusa de graves altercados na manifestación pola visita de Merkel a Compostela. O Bloque censura as "incriminacións policiais falsas para aterrorizar a cidadanía".
Tres dirixentes do BNG deberán responder ante os xulgados pola vía penal logo de ter participado na concentración de protesta contra a troika co gallo da visita da chanceler alemá Angela Merkel do pasado 25 de agosto en Compostela. Segundo adianta La Voz de Galicia, os sancionados son o voceiro local en Santiago, Rubén Cela, así como os responsables na Coruña, Paulo Carballada, e en Guitiriz, Alfonso Losada. Dirixentes do BNG de Compostela, A Coruña e Guitiriz terán que responder ante os xulgados pola vía penal Tan só o dirixente de Compostela reicibiu tamén a notificación da apertura dun expediente administrativo sancionador da Subdelegación do Goberno da Coruña e que lle podería supor unha multa de 300 euros por ter participado na concentración. O Bloque non ten constancia deste proceso por vía penal, que é o que provoca que esta multa sexa suspendida ata que se resolvan estas accións no xulgado. "Alarma a política do PP de incriminacións policiais falsas para aterrorizar a cidadanía", denuncia o Bloque "Alarma a política do PP de incriminacións policiais falsas para aterrorizar a cidadanía", respondeu nas redes sociais o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, que censura así un proceso que a formación nacionalista considera unha campaña contra a protesta e a súa propia organización. O atestado policial, segundo La Voz, acusa a Carballada de terlle quitado a pistola a un policía e a Losada de ter agredido a outro axente cravándolle un obxecto que lle causou unha ferida. As acusacións son moi graves e o BNG negounas en todo momento. Ademais, destaca que non houbo identificado ni detido ningún do Bloque no día da protesta. Rubén Cela, de feito, foi ferido tras ser golepado cunha porra e acabou polo chan. O voceiro en Compostela ten previsto recorrer a sanción, pero Paulo Carballada terá que declarar como imputado xa o luns da vindeira semana. O atestado policial acusa dous dos dirixentes de terlle quitado a pistola a un axente e de ter agredido a outro Logo daquela protesta, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu a actuación policial contra a manifestación anti troika, unha defensa que foi aínda máis vehemente dende a Delegación do Goberno de España en Galicia. O seu responsable, Samuel Juárez, non aforrou críticas para a CIG, o BNG e AGE mentres que defendeu a actuación dos antidisturbios que, di, se limitaron a "facer o seu traballo" e "defenderse" cunha carga policial. "Tentaron traspasar o cordón policial pola forza e a Policía tivo que defenderse desa agresión e desa violencia", resolveu, mentres o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, critica que as mobilizacións non se celebrasen nunha data diferente á da visita oficial.
NOS_41688
CIG, ELA, LAB e Intersindical-CSC comparecen en Compostela para denunciar a ofensiva política-xudicial en Catalunya e a criminalización da greve e das loitas sindicais e sociais por parte do Estado español. "Hai unha ofensiva contra o sindicalismo combativo", denuncian.
Catalunya vive nunha situación de "auténtica excepcionalidade política" que evidencia a "deriva" do "réxime antidemocrático e autoritario" do estado español. Unha deriva que ten en Catalunya o seu punto álxido, cunha "ofensiva política-xudicial" contra persoas e colectivos. O recorte de liberdades, vulneración de dereitos, criminalización e represión de loitas laborais e sociais…vén da man con esa aposta do Estado. Representantes dos sindicatos soberanistas de Galiza (CIG), Euskal Herria (ELA, LAB) e Catalunya (Intersindical-CSC) mantiveron un encontro en Compostela para analizar e valorar este escenario, no que o ataque ao dereito de greve é un dos elementos máis preocupantes. "En Catalunya hai unha causa xeral contra os dereitos democráticos e colectivos" (Carles Sastre, I-CSC) Carles Sastre (secretario xeral de Intersindical) explicou que o 25 deste mes o seu sindicato ten un xuízo a raíz dunha denuncia presentada pola gran patronal catalá por convocar a greve do pasado 8 de novembro. "Di que non somos representativos como para convocar unha greve xeral e que aquela era unha greve política". Sastre indica que o paro xeral convocouse por motivos motivos claros e concretos. Un deles, a supresión de máis de 30 leis aprobadas polo Parlament, impugnadas por Madrid e suspendidas polo Constitucional . Leis contra a pobreza enerxética ou os pisos baleiros.Outro motivo, o decreto de "deslocalización express" aprobado polo goberno español e que abriu as portas de par en par a que empresas abandonasen Catalunya. Para o sindicalista catalán, a patronal o que quere cuestionar é o propio dereito a greve. O que fai nun contexto de "causa xeral contra os dereitos democráticos e colectivos". "Hai unha estratexia partillada polas elites económicas e políticas para atallar o dereito a greve" (Joseba Villareal, ELA) "Época dura" "Vivimos unha época dura", manifestou Joseba Villareal, de ELA, que denunciou que se estea a "criminalizar o único instrumento que temos os traballadores para cambiar a realidade, a greve". A condena a traballadores que fan parte de piquetes, os servizos mínimos abusivos, as multas… están nunha "estratexia compartida polas elites políticas e económicas" para "criminalizar e perseguir" a greve. "Sen greves o futuro está escrito, con greves podémolo cambiar", afirmou o sindicalista vasco. Garbiñe Aranburu (LAB) entende que o contexto social e político español ten unha dupla involución, "social e política" na que o "ataque contra o sindicalismo combativo" é unha das frontes. As reformas laborais deron máis poder á patronal, di, mentres deixa "os traballadores sen medios para a defensa colectiva". Unha "ofensiva xeralizada contra o sindicalismo de contrapoder", un sindicalismo que é máis necesario ca nunca" e que acredita que 2a loita pola soberanía é a mellor garantía contra o neoliberalismo". "A loita pola soberanía é a mellor garantía contra o neoliberalismo" (Garbiñe Aranburu, LAB) O Estado reacciona con criminalización e represión perante "protestas lexítimas", nun actuar que indica que "os procesos popularers democráticos de emancipación" están no punto de mira do Estado. Paulo Carril, secretario xeral da CIG, lamentou a "equidistancia das forzas políticas da esquerda española" fronte ao actuar "antidemocrático" e "represivo" do Estado, un proceso no que este aposta en atacar o dereito á greve "para desmantelar a loita da calse traballadora". "Lamentamos a equidistancia da esquerda española" (Paulo Carril, CIG) CIG, ELA, LAB e I-CSC subscribiron un comunicado conxunto no que reclaman a derrogación da aplicación do 155 e o respecto á vontade expresada nas urnas polo pobo catalán o 1 de outubro e o 21 de decembro; a liberdade dos presos políticos cataláns, o "cese do acoso político e xudicial" e que o Estado recoñeza o dereito dos pobos a decidir o seu futuro.
PRAZA_6509
Este venres chega aos cinemas o filme de Lois Patiño, que no último ano recibiu unha ducia de premios en festivais en todo o planeta. Poderase ver na Coruña, Vigo, Ferrol e Cee, ademais de Madrid, Barcelona, Málaga e Valencia.
Non debería ser noticia que un filme se estrease nas salas de cine. Pero as limitacións da estrutura de distibución en España son as que son, moito máis para un filme galego dunha pequena produtora, e máis aínda se a súa fasquía é experimental e afastada dos cánones das pezas de ficción. É por iso que a chegada ás salas comerciais, a partir deste venres, de Costa da Morte é celebrada polos seus responsables como un triunfo, un máis que unir á ducia de galardóns recibidos pola película durante o último ano e medio, en festivais tan importantes coma Locarno, o mexicano Ficunam, o coreano Jeonju IFF ou o Festival Internacional de Sevilla (ademais do Mestre Mateo ou o Play-Doc). Despois de percorrer medio mundo, en máis de 60 certames e de, por exemplo, ser vista por máis de 4.000 persoas durante oito semanas na Cineteca Nacional da Cidade de México, Costa da Morte pecha un ciclo chegando ás salas galegas e españolas e puidendo mesmo ser vista en Cee, na propia comarca que retratou. O filme poderá verse nos Cantones Cines da Coruña, Multicines Norte en Vigo, Cine Dúplex en Ferrol, Cines Xunqueira en Cee, en Cineteca Matadero (Madrid), Zumzeig Cinema (Barcelona), no Cine Albéniz (Málaga) e no IVAC (Valencia). En próximas datas sumaranse á listaxe outros espazos. A primeira proxección do 26 de setembro, ás 20:30 horas, en Cineteca Matadero de Madrid contará coa presenza do director Lois Patiño, quen manterá un encontro co público. "Durante o período de presentacións en festivais é moi difícil traballar. Esta estrea sérveme a min mentalmente para pechar esta etapa e centrarme nos novos proxectos" Patiño recoñece que "non contaba con facer a estrea". "Xurdiu a idea e a oportunidade, grazas a que hai unhas salas valentes na súa programación", destaca, sinalando sobre todo a proxección en Cee, a que máis ilusión lle fai. O autor toma a estrea "como un pequeno regalo, agora que despois de máis dun ano se está pechando o circuíto de festivais e o ciclo natural da película xa rematou". "É un bo peche, un broche", conclúe, e unha oportunidade para desembarazarse deste proxecto e centrarse noutros: "Durante o período de presentacións en festivais é moi difícil traballar. Esta estrea sérveme a min mentalmente para pechar esta etapa e centrarme nos novos proxectos". Entre estes proxectos inmediatos destaca unha exposición individual na Galería Solar, en Portugal, e dúas curtametraxes en fase inicial. Unha delas é unha codirección co director arxentino Matías Piñeiro, coproducida polo festival danés CPH:DOX. E a outra, gravada entre Galicia e o norte de Portugal, está producida polo festival de Vila do Conde. Ademais, Lois Patiño traballa xa con Zeitun Films nunha nova longametraxe, que tamén rodará en Galicia. Por último, ultima o lanzamento de Costa da Morte en DVD, un pack no se se incluirán outros traballos do director, coma Montaña en Sombra, A Imaxe Arde, Paisaxe Duración ou Paisaxe Distancia, entre outros. "Abranguerá toda a investigación que fixen ao redor da paisaxe", explica. "A idea non era mostrar caras senón unha voz colectiva, si. Porque o relato da Costa da Morte non pertence ás persoas particulares, senón á paisaxe, á identidade da paisaxe", dicía nunha entrevista publicada en Praza o pasado mes de abril. Afirma que a paisaxe, elemento que nuclea boa parte da súa produción até o momento "sempre me acompañará, ségueme fascinando", pero agora confesa que "xa non será o centro de reflexión". "Ademais agora comezo a traballar con 16mm, o que me obriga a mudar a miña forma de filmar" -explica- "Antes gravaba con tomas longas, buscando o momento revelador da imaxe, e con 16mm teño que ser máis preciso. Agora estou máis interesado na experiencia temporal da imaxe, xogar coa inmobilidade, coa repetición...". Afirma que a paisaxe, elemento que nuclea boa parte da súa produción até o momento "sempre me acompañará, ségueme fascinando", pero confesa que "xa non será o centro de reflexión" Patiño amósase sorprendido pola "recepción positiva da película, que parece que conectou cun público moi amplo, alén do que adoita ver cinema experimental". "Supoño que as claves estiveron na paisaxe ou na humanidade que se desprende dalgúns diálogos, creo que iso é o que puido atraer este público", di. Conta que "evidentemente a recepción foi moi distinta en función da persoa e do lugar. A película viuse en Sri Lanka ou en Corea do Sur, cunha ollada que seguro é diferente. Os percebeiros e a súa actividade resultaban moi chocantes para moitas persoas". "Pero creo que a película trata algúns temas máis abertos, coma a relación da ser humano coa paisaxe ou a experiencia contemplativa, ou como se forxa a identidade cultural da paisaxe, a través das lendas. Creo que isto si é aplicable a moitas culturas e tamén conecta por ese camiño", conclúe.
PRAZA_16696
As cifras acrecentan a tendencia ascendente dos últimos anos, desde os só 9 falecementos rexistrados na tempada 2011-12
Os falecementos por gripe na onda deste inverno que o Sergas vén de dar agora por rematada a data do pasado domingo día 18 de marzo ascenden a 223. Supoñen un 64% máis que os 136 falecidos o ano pasado e acrecentan a tendencia ascendente dos últimos anos. As cifras acrecentan a tendencia ascendente dos últimos anos, desde os só 9 falecementos rexistrados na tempada 2011-12 Segundo o último informe de seguimento agora feito público pola Xunta, correspondente á semana 11 da onda, que rematou o pasado domingo, dos 223 mortos este ano, 222 tiñan indicada a vacina, ben por idade ou ben por outros factores de risco, pero 102 deles non estaban vacinados. "Dada a situación actual da actividade gripal, este será o último informe desta tempada", di o Sergas Dende o inicio da tempada declaráronse 3.540 casos confirmados de gripe, dos que o 59% foron por gripe do tipo B, 39% por gripe A e un 2% polas dúas. Segundo o Sergas, "o 90% do total dos pacientes ingresados durante esta tempada tiñan indicada a vacina antigripal e deles o 49% non a tiñan posta". Os datos desa última semana analizada sitúanse, di o Sergas, "por debaixo do limiar establecido para determinar o momento do inicio e fin da onda" de gripe, polo que, engade, "dada a situación actual da actividade gripal, este será o último informe desta tempada".
NOS_20605
Extraer a música clásica e académica dos palacios da ópera e transportala ás rúas, é dicir, achegala á xente, é obxectivo confeso da Orquestra Vigo 430. Para cumprilo, esta quinta feira, 14 de decembro destinará seis dos seus intérpretes a mercados, prazas e outros "puntos concurridos" da cidade. "Queremos eliminar as barreiras e prexuízos que moitas veces temos en relación á música clásica", afirman.
Frauta, fagot, viola, dous violíns e un contrabaixo formarán o sexteto que tocará "unha escolma de panxoliñas de autores clásicos". O percorrido iniciarase ás doce da mañá no Mercado do Progreso, continuará na rúa Príncipe -perante o Marco-, seguirá polo casco vello e rematará na zona da Laxe. Amais da aposta pola popularización das músicas sinfónicas, a orquestra tamén pretende, con esta actividade, que "os vigueses e viguesas coñezan o gran proxecto da orquestra sinfónica da súa cidade". O 22 de decembro será tamén unha data acaída para facelo. A Orquestra Sinfónica Vigo 430 xuntará "máis de 150 músicos e músicas" -orquestra, coro e solistas-, dirixidos por Vicent Alberola, no auditorio Mar de Vigo para ofrecer unha versión da icónica, célebre Sinfonía nº9 op.125 de Ludwig Van Beethoven. "Trátase dunha das obras máis transcendentais e populares da historia da música e da arte en xeral", explican. É a sinfonía que pecha a Oda á alegría, musicalización dun poema de Friedrich Schiller e "símbolo da liberdade e a irmandade". As entradas para o concerto do 22 de decembro están á venda na páxina web de Ticketea e mais na tenda Discos Elepé. O "proxecto Vigo 430" naceu "de xeito independente" en 2005. Comezou coa creación dun núcleo de orquestra de corda e cinco anos logo, en 2010, "e co decisivo apoio do Concello de Vigo, converteuse en orquestra sinfónica.
NOS_47577
Nesta semana reforzáronse as peticións da oposición para que a Xunta aclare con cantos rastrexadores conta. BNG, PSdeG , sindicatos e asociacións poñen en dúbida a cifra achegada por Alberto Núñez Feixoo, quen asegurou que máis de 6.000 persoas traballan en tarefas de seguimento. A delegada sindical do Grupo Konecta, que ofertou postos de rastrexo na Galiza, asegura a Nós Diario que arredor dun cento de persoas da empresa se dedican a este labor.
A cada novo caso positivo de coronavirus detectado na Galiza séguelle o "rastrexo" dos contactos estreitos da persoa contaxiada, coa finalidade de identificar a orixe da cadea de transmisión. A clientela dun ximnasio, as persoas que asistiron a unha festa, a celebración dun xantar familiar. Para isto, a Consellaría de Sanidade anunciou en maio a posta en marcha dunha plataforma de seguimento de contactos, mais non aclarou nin a empresa que a xestiona nin o persoal que a integra. A comezos do mes de agosto, o Grupo Konecta publicou ofertas de emprego dirixidas a "xestores Covid-19" e coordinadores do "servizo de xestores telefónicos Covid-19" para un "importante cliente na Coruña". Nin a multinacional, cunha sede no municipio de Bergondo, nin Sanidade informaron a este medio de se a propia Xunta é o cliente. Mais a delegada sindical por CCOO da empresa, Pilar Pérez Blanco, asegura a Nós Diario que se contratou persoal "para o rastrexo de contactos para a Xunta". Teléfono de atención Segundo explica Pérez Blanco, o primeiro servizo que asumiu o Grupo Konecta foi a xestión do teléfono 900400116 de información sobre a Covid-19 habilitado pola Xunta da Galiza. Anteriormente, quen contestaba do outro lado da liña era persoal do 061, dependente da propia Consellaría de Sanidade. "Nos primeiros días as chamadas aumentaron moito, o 061 foi incapaz de asumilas e derivaron a liña a unha compañía con sede en Bergondo", explica a Nós Diario Mario Otero, presidente da xunta de persoal do 061. A propia Pilar Pérez Blanco formou parte da equipa que asumiu o teléfono entre o mes de marzo e o de abril. "O número de persoas que nos encargamos diso variou, con até 80 e 90 nos inicios. Despois houbo unha baixada importante e ficaron entre 10 ou 15", detalla. O persoal da empresa, o Grupo Konecta, contesta entre as 9 e as 22 horas e en horario nocturno as consultas derívanse de novo ao 061. Rastrexo de contactos De cara ao desconfinamento, a capacidade para detectar e responder ante novos focos de coronavirus foi un dos requisitos do Goberno estatal para que un territorio avanzase de fase. Concretamente, unha das condicións foi a posta en marcha dun sistema de vixilancia e monitorización diaria dos casos e mais a súa notificación. Nese senso, comezaron a desenvolverse aplicacións tecnolóxicas e puxéronse en marcha servizos de seguimento con persoal. Non existe un protocolo estatal que guíe a proporción axeitada entre o número de rastrexadores e o de habitantes nestes servizos. Tampouco se especificou quen debe asumir esa tarefa. O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, apuntou á Atención Primaria mais admitiu que non tiña que recaer necesariamente neste persoal. O servizos de saúde contan con especialistas, caso dos servizos de alertas epidemiolóxicas das Xefaturas Territoriais da Consellaría de Sanidade na Galiza. A pandemia exixiu ampliar a súa capacidade e a Xunta optou por unha "plataforma tecnolóxica de seguimento", que se coordinaría cos servizos de Medicina Preventiva ou Atención Primaria asumindo o seguimento dos positivos confirmados ou a procura dos seus contactos estreitos. Unha decisión cuestionada por asociacións e sindicatos. O Grupo Konecta O 2 de xuño, nunha resposta ao Sindicato de Enfermaría (Satse), o Sergas detalla que "o centro de seguimento de contactos" é o "modelo de central única escollido por Galiza para realizar" a tarefa de "prevención e control epidemiolóxico" ante a Covid-19. "Aprovéitase a experiencia da central que xestionou desde o inicio da pandemia a liña gratuíta 900400116". En maio, Sanidade informou de que traballaban na plataforma 20 operadores, con vistas a ampliar o seu número a 50. Apenas mes e medio despois, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que máis de 6.000 persoas realizaban tarefas de seguimento de contactos. Nin a compañía que xestiona a plataforma nin o número de profesionais actual foron aclarados pola Xunta. Pérez Blanco asegura que se trata do Grupo Konecta en Bergondo. "Faise un seguimento dos casos positivos e pídeselles o teléfono dos seus contactos estreitos", explica, especificando que na tarefa están empregadas actualmente "sobre cen persoas" e que descoñece se hai outras compañías "traballando para a Xunta". Nas últimas contratacións para este servizo, o Grupo Konecta exixiu unha titulación sanitaria. Así se reflicte nas ofertas de emprego publicadas pola compañía a comezos do mes de agosto, nas que exixe a titulación de Enfermaría. Noutros, abonda a matriculación en estudos de Enfermaría, Medicina ou Farmacia. "Cando arrancou o servizo só había teleoperadores e xestores sen titulación sanitaria", salienta Pérez Blanco, quen descoñece se hai alumnado traballando. A delegada sindical, que xa non forma parte de ningún servizo de atención da Covid-19, engade que as funcións dos teleoperadores e dos xestores son diferentes. "Os primeiros teñen un guión estabelecido nunha pantalla, os segundos poden facer preguntas que non están nese guión, cunha maior flexibilidade", exemplifica. En ambos os casos, a formación impartida pola compañía ás persoas que se incorporaron ao rastrexo foi "moi básica". [Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da cuarta feira, día 19, nos quiosques ou na nube]
PRAZA_14285
Benestar presenta a primeira carta de servizos da Lei da Dependencia, con prazos máximos para valoración e atención que, en caso de seren superados, só deixan lugar a unha "reclamación" que sirva de "tirón de orellas" para o Goberno galego
"Dar resposta ao 97% das consultas dos cidadáns relacionadas co procedemento de recoñecemento da situación de dependencia (...) nun tempo máximo dun minuto", "valorar ao 65% das persoas solicitantes nun tempo máximo de 70 días", "valorar ao 100% dos menores de tres anos nun tempo máximo de 12 días", "aprobar o programa individual de atención do 100% dos expedientes de asistencia social nun máximo de dous meses dende a resolución do grao de dependencia", "proporcionar, nos casos de emerxencia social (...), o acceso ao servizo idóneo nun prazo máximo de cinco días naturais". Son algúns dos compromisos que a Xunta, a través da Consellería de Traballo e Benestar, vén de asumir en materia de atención a persoas dependentes. Faino a través da primeira "carta de servizos" que se aproba na materia, un documento que a secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, eleva á categoría de "contrato" pero cuxo incumprimento non terá, na práctica, consecuencia ningunha. A única consecuencia do incumprimento será a posibilidade de reclamar para "tirarlle das orellas á Administración" No nome do departamento que dirixe Beatriz Mato, Piñeiro comparecía este martes ante a prensa para debullar a carta, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) na mesma xornada. É un "contrato" ateigado de "estándares de calidade", inscrito no "noso afán de modernización e aposta continua pola mellora da calidade de prestación de servizos", inclúe "sete servizos, nove subservizos e 30 compromisos". Pero, que pasa se a Xunta non cumpre? Unha persoa en situación de dependencia ou a súa familia terá compensacións se agarda máis tempo do estipulado pola atención que legalmente lle corresponde? "Compensación, non", admite a alto cargo. "Nesta especie de contrato se a administración incumpre ese compromiso, o cidadán esta'no seu dereito de presentar unha queixa". Pero o único efecto desa reclamación será que supón "tirarlle das orellas á Administración", dicirlle "comprometécheste a algo que non estás cumprindo", evidencia a secretaria xeral. Pero nada máis. Nun contexto no que Galicia continúa a ocupar os postos de cabeza do Estado no referido ao tempo que esperan as persoas dependentes Coro Piñeiro tenta amosar un panorama ben diferente: "estamos moi preto de cumprir todo ao que nos comprometemos" na nova carta de servizos, asegura. Así e todo, o propio "contrato" inclúe prazos dificilmente reclamables xa que, por exemplo, a Xunta asegura que proporcionará "acceso efectivo ao servizo de atención residencial" nun tempo máximo de "15 días naturais no 75% dos casos", pero a contar "dende a notificación do dereito" ao servizo. Do mesmo xeito, asegura que facilitará transporte adaptado "para asistir ao serivzo de atención diúrna -centro de día-" no 85% dos casos en qeu se resolveu outorgar o devandito servizo e a persoa beneficiaria cumra con todos os requisitos que se establezan". Neste contexto a única consecuencia da existencia desta carta de servizos nun sector que vive pendente dos recortes do Estado semella ser a parte de avaliación. A Xunta, compromete Piñeiro, "avaliará anualmente o grao de cumprimento dos servizos" e os resultados desta análise "faranse públicos". O Goberno galego, afirma, manterá unha "comunicación transparente" coa cidadanía sobre a marcha do sistema. Contido íntegro da carta de servizos
PRAZA_3645
O total de positivos aumenta en 111 persoas e os casos máis graves que requiren atención na UCI incrementáronse en catro, de 11 a 15
A maior intensidade nas probas -coa implantación de medidas como os test sen baixar do coche en Vigo ou Lugo- e o afloramento dos contaxios da última semana provocou que o cómputo de casos positivos por coronavirus en Galicia experimentase este xoves, 19 de marzo, un pronunciado incremento. Son xa 444 casos confirmados, 111 máis que vinte e catro horas antes, e o Servizo Galego de Saúde confirma un quinto falecemento, dun home septuaxenario na Coruña. O total de positivos aumenta en 111 persoas e os casos máis graves que requiren atención na UCI incrementáronse en catro, de 11 a 15Os datos divulgados este xoves -o Sergas subliña que xa se adaptou ao protocolo do Ministerio para difundir información actualizada só unha vez ao día- indican que, malia ao incremento xeral de positivos, os casos máis graves non aumentaron a maior ritmo que nos días previos. Así, mentres que o total de positivos aumentou en 111 persoas -un 33% máis-, as que precisan atención en unidades de coidados intensivos son 15 -catro máis que na xornada previa- e unha ampla maioría segue a recibir atención domiciliaria, un total de 330.Alén da UCI, as unidades ordinarias de hospitalización si rexistran un maior incremento de casos. De 63 hospitalizacións por esta causa o pasado mércores o Sergas pasa a rexistrar 99 doentes. As altas son polo momento, escasas, as mesmas 4 dos últimos días. A área sanitaria con maior presión asistencial polo coronavirus segue a ser a da Coruña; non en van, 136 dos 444 casos están nesta área sanitaria.Os incrementos atinxen a todas as áreas sanitarias e a segunda con máis casos é a de Vigo, que está a aplicar os devanditos test a bordo dos coches -no hospital do Meixoeiro- e xa detectou 84 positivos. En Santiago os casos de coronavirus chegan xa aos 64, en Pontevedra chegan a 59, en Ourense sitúanse en 46 e en Ferrol, polo momento, son 15.Consellos en caso de ter síntomasO Sergas reitera un día máis os consellos para previr o coronavirus e tamén para as persoas que teñan algún dos síntomas da enfermidade -tose, febre alta, dificultade para respirar-. Así, ademais de insistir na necesidade de respectar o illamento decretado polo estado de alarma, Sanidade subliña a necesidade de "empregar só para emerxencias" o 061 e dirixirse ao sitio web coronavirus.sergas.gal ou ao teléfono 900 400 116 para "consultar dúbidas ou síntomas leves. Estas vías de consulta a distancia son recomendadas en todo caso e Sanidade advirte da necesidade de non dirixirse con síntomas leves aos centros sanitarios, toda vez que non é precisa asistencia de emerxencia e ese desprazamento pode contribuír aos contaxios. No sitio web do Sergas está dispoñible, ademais, un autotest sobre os síntomas e como actuar ante eles.
NOS_49851
A portavoz nacional, Ana Pontón, e a viceportavoz parlamentaria Olalla Rodil, mantiveron un encontro cunha representación dese colectivo de investigadoras.A Xunta anunciou esta segunda feira que financiará até outubro eses contratos.
O BNG reuniuse esta segunda feira cunha representación das 34 investigadoras condenadas a ir ao paro polo retraso da Xunta na convocatoria para concorrer á renovación da bolsas que neste momento lles permiten facer o seu labor investigador nalgunha das universidades galegas. A portavoz nacional, Ana Pontón, apoia a medida que reclaman as persoas afectadas de prorrogar a súa situación laboral cun contrato ponte ate a resolución da convocatoria, unha alternativa que só require "vontade política" e que xa se ten posto en práctica en situacións similares. Para Pontón, este caso pon de manifesto "a precariedade na que traballa o persoal investigador e, por outro lado, a falta de visión estratéxica do Goberno de Feixóo sobre o que significa a ciencia e a investigación para un país". Hai, ademais, unha segunda cuestión neste caso que o Bloque considera moi grave e para o que pide a adopción de medidas urxentes: a discriminación que sofren as mulleres investigadores cando collen baixas por maternidade, tamén nos casos de baixas por paternidade, que son penalizadas nas condicións de acceso a bolsas e na promoción profesional. A Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional anunciou esta segunda feira que financiará até o 15 de outubro os contratos de 34 investigadores postdoctorais da promoción 2016.
NOS_22598
A proposta do BNG acadou a apoio dos grupos parlamentarios da Comisión para Asuntos Europeos.
O Parlamento de Galiza vai instar á Xunta para que solicite de Estado e Unión Europea compensacións para a frota galega polos descartes pesqueiros. Así o aprobou esta cuarta feira por unanimidade a Comisión para Asuntos Exteriores da Cámara galega a instancias do BNG. Na defensa da iniciativa, o deputado nacionalista Daniel Rodas explicou que os descartes poden ser destinados á fariña para peixe, aceite de peixe, pensos, aditivos ou produtos farmacéuticos que máis ben parece "o modelo ideado para os cultivadores de peixe" pero non para os traballadores do mar. Son os propios armadores, dixo, os que reclaman medidas alternativas. Por exemplo, que o reparto do esforzo sexa proporcional ás cotas de pesca de cada país ou que as toneladas que non pesquen outros países da UE poidan ser capturadas por aquelas flotas que o precisen. A estas engádsense outras, como poñer en valor todos os produtos procedentes dos descartes de talla comercial. Rodas advertiu que se non se adoptan medidas atoparemos cunha "nova medida coercitiva comunitaria" coa finalidade de que diminúan "drasticamente os días de pesca e rebaixando as "xa exiguas" posibilidades de capturas" ao que hai que sumar a competencia coa flota portuguesa que ten maiores cotas, traballa toda a semana e ocupa os mercados galegos ademais de utilizar artes que en Galiza están prohibidos.
PRAZA_12855
Concéntranse en varias cidades galegas en apoio ás manifestacións que tamén se celebraron en todo o Estado con motivo do Día da Liberdade de Prensa
Centos de xornalistas concentráronse hoxe en varias cidades de Galicia con motivo do Día da Liberdade de Prensa para reclamar "un periodismo digno" e logo da convocatoria da Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE) apoiada en Galicia polo Sindicato de Xornalistas, o Colexio de Xornalistas e varias asociacións de periodistas locais. O Colexio de Xornalistas de Galicia mostrou o seu apoio as concentracións e nun manifesto denunciou que o xornalismo "se encamiñe cara á súa autodestrución", polo que "chegou o momento de reaccionar" antes de que o último dos xornalistas "asine a carta de defunción, apague a luz e peche a porta". A crise levou por diante case 7.000 empregos e 60 medios de comunicación no sector do xornalismo Baixo o lema "Sen xornalistas non hai xornalismo; sen xornalismo non hai democracia", os convocados na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra ou Lugo asistiron á lectura dun manifesto a favor "dun periodismo digno" cada vez máis danado "ante a grave crise pola que atravesa o sector", tanto en Galicia como no conxunto do Estado. Segundo datos da FAPE, a crise económica destruíu en España 6.234 postos de traballo, provocou o peche de 57 medios de comunicación e levou á execución de 23 ERE na profesión desde novembro de 2008. As previsións tampouco son mellores para o futuro inmediato, cando varios e importantes medios teñen anunciados despidos nos vindeiros meses. Ademais, cada ano licéncianse 3.000 xornalistas no conxunto do Estado, pero tan só 500 conseguen traballar, mentres que cada día que pasa destrúense 15 postos de traballo nos medios de comunicación. "A democracia está a salvo, pero, invocando a Gramsci, se non reaccionamos, será unha democracia de cidadáns (xornalistas) indiferentes, que abdican de tomar partido, de significarse", di o xornalista Alfonso Hermida, que asina o comunicado do Colexio. "A situación de infamia dos xornalistas é responsabilidade exclusiva de PP e PSOE" O Sindicato de Xornalistas, ademais, denuncia que "a situación de infamia" que viven os periodistas "é responsabilidade exclusiva dos dous partidos que se alternaron no Goberno de España, o PSOE e o PP". "Con bastos pretextos, e amedrentados polos grandes grupos de comunicación, ambos os dous negáronse durante anos a corrixir o agravio comparativo que os colaboradores xornalísticos sofren en España fronte ao resto de traballadores", asegura. Pola súa banda, a presidenta da FAPE, Elsa González, destaca que a principal prexudicada desta crise xornalística "é a saúde democrática dos pobos" e acusa os editores dos medios da debacle actual da profesión ao "optar pola redución drástica dos planteis sen unha posta clara pola innovación e a formación" en lugar de de" fomentar un periodismo adaptado ás demandas do cidadán do século XXI".
NOS_22323
A Audiencia condena o sindicalista "por agredir a un policía durante unha protesta por un acto electoral do PP en Ferrol". Absolven o funcionario do 091 dos delitos de tortura, contra a integridade moral e lesións polos que foi acusado.
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou o que en outubro de 2012 era secretario comarcal da CIG en Ferrol, López Pintos, a seis meses de prisión "por agredir un axente da Policía Nacional durante unha protesta diante dun hotel de Ferrol no que o PP realizaba un acto de campaña electoral". Nestas semanas decorreron diferentes mobilizacións en Ferrol para reclamar a absolución do sindicalista. Nunha entrevista con Sermos Galiza, o propio Pintos situaba o xuízo no marco dunha aposta do "sistema, que quere meterlle medo á xente e que non proteste" O tribunal considerouno culpábel dun delito "de atentado contra axente da autoridade", concorrendo a agravante de reincidencia e a atenuante de dilacións indebidas. Ademais, a Audiencia impúxolle o pago de 840 euros ao axente e absolveuno das faltas de coaccións e lesións que lle imputaban. Respecto ao funcionario do 091, os maxistrados decretaron a súa absolución dos delitos de tortura, contra a integridade moral e lesións polos que foi acusado. Os xuíces relatan na sentenza que cando se produciu un enfrontamento entre manifestantes e os axentes que formaban parte do cordón policial, o acusado "agarrou cunha man a un dos policías da camisa e, coa outra, golpeouno varias veces no casco". A Audiencia sinala que o axente "tentou suxeitalo para metelo detrás do cordón policial e reducilo, pero non foi capaz, porque o acusado tentaba evitalo fisicamente, ata que un compañeiro que se atopaba ao seu lado o axudou". "As testemuñas que declaran por instancia do acusado poden desde un plano teórico reforzar a súa versión, en canto á actitude pacífica dos manifestantes, á violenta dos policías, á procura do detido, á malleira sádica. Pero o problema é que estas declaracións non é que non concorden, senón que quedan desvirtuadas polos elementos de proba máis obxectivos", recalca a Audiencia.
NOS_24
Publicamos un extracto da análise de Juan Jesús Gestal Otero, Profesor Emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC. A análise fai parte do suplemento especial do Sermos Galiza sobre un ano de pandemia. Un especial de 56 páxinas, que acompañará o xornal o 13 de marzo.
Os grandes cambios postos en marcha a partir dos anos setenta do pasado século supuxeron a modernización do sistema sanitario, mais hai lugar para a mellora se se aproveitasen os servizos de Medicina Preventiva como base para desenvolver a necesaria descentralización da sanidade e a súa integración nas áreas de saúde. O problema da Covid-19 non se veu vir, pensouse que o ocorrido na China non ía pasar aquí, nin mesmo cando se afectou Italia. Dicíase nunha avaliación de risco do 31 de xaneiro que "... podería chegar algún caso, ao que o noso Sistema Nacional de Saúde, un dos mellores do mundo, lle faría fronte facilmente,...". Tampouco se prestaron oídos ás repetidas indicacións do director xeral da OMS, que chamaba os Estados a se preparar, dotándose de cantidades adecuadas de equipos de protección persoal, de respiradores e de test PCR. Nada diso se fixo. Estábase noutras cousas, e mentres a enfermidade ía difundíndose, nun país no que se seguían celebrando actos multitudinarios como as manifestacións, actos políticos e partidos de fútbol. Cando se actuou, chegouse tarde, a enfermidade, que ten un crecemento exponencial, xa estoupara e estaba enchendo a gran velocidade as plantas e UCI dos hospitais ata saturalas. Entón comezouse a ver que non había respiradores, nin equipos de protección individual (EPI), nin persoal suficiente, que se xubilara aos 65 anos e non se repuxera por mor da economía. Tiveron que habilitarse hospitais de urxencia e instalacións como o Palacio de Xeo de Madrid para acoller os miles de falecidos. Caían dous avións ao día. Foi un auténtico tsunami que nos pasou por riba. Ata o 10 de maio, no Estado español, cunha poboación de 47 millóns, producíronse 250.273 casos e 20.534 defuncións con diagnóstico confirmado por PCR, recoñecidas polo Goberno, se ben a cifra real duplícaas. Segundo o Instituto Nacional de Estatística, desde o 10 de marzo ata o 9 de maio produciuse un exceso de mortalidade de 44.593 defuncións, a maioría sen dúbida debidas á Covid-19. A análise ao completo poderás lela este sábado no Sermos Galiza Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'. Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.
NOS_6631
Estancamento das frondosas autóctonas e estensión "descontrolada" do eucalipto.
"Hoxe en día temos na Galiza máis eucaliptos plantados que Australia: 80 millóns de unidades". Así o manifesta Xosé Manuel Rodríguez, brigadista forestal de ampla experiencia e membro de Adega, no número 313 da Fouce, voceiro do Sindicato Labrego Galego (SLG), que recolle parte da palestra que decorreu no CS Madia Leva de Lugo en torno á problemática dos incendios forestais. En base aos datos do Inventario Forestal Nacional de 1997-2007 (IFN3), Rodríguez explicou que dos 3 millóns de hectáreas que suma o territorio galego, o 69% son forestais (48'2% de arborado, 20% de matogueira) e o resto agrícola e doutros usos. Comparando o IFN3 co correspondente ao período anterior (IFN2, 1987-1997), sinala que se deu un estancamento das frondosas autóctonas (400.000 hectáreas) "e un aumento descontrolado dos eucaliptos". En consecuencia, afirma, estanse plántanse en Galiza máis eucaliptos que en Australia, "80 millóns de unidades". Estensión Como se ten indicado en máis dunha ocasión desde organizacións agrarias e ambientalistas, os miles de explotacións gandeiras en activo na Galiza dispoñen de 650.000 hectáreas. Só o monocultivo de eucalipto ocupa perto de 200.000 Has, unha cifra que se dispara até as 396.000 de contabilizarmos as superficies mixtas, é dicir, aquelas na que esta especie convive misturadas con outras. E algúns cálculos aumentan estas cifras. Un estudo da Universidade de Compostela afirma que na Galiza perdemos desde 1985 unhas 265.000 hectáreas de superficie agraria útil. Stop eucalipto Unha vintena de organizacións ambientalistas uníronse a comezos de ano para impulsar a campaña 'Stop eucalipto, avante carballo!". Unha iniciativa que nacía pouco despois da prórroga da concesión do goberno español en funcións a ENCE para seguir en Lourizán: "Ameaza seriamente a biodiversidade de todo o país pola extensión do seu modelo de negocio (pasta de papel, biomasa) baseado no monocultivo do eucalipto". Alertaban de que perto do 30% da superficie arborada galega estaba ocupada por esta especie e propuñan unha serie de medidas e accións a desenvolver para reverter esta situación.
NOS_2044
Até a partir do mes de maio non está previsto que se active a moratoria da Xunta que impedirá plantar eucalipto onde non estivese plantando con anterioridade. O BNG alerta no Parlamento de que está habendo un "boom" na plantación desta especie para que, cando entre en vigor a moratoria, se plante en terreos onde até hai unhas semanas non había eucalipto e así que non lle afecte a moratoria. Ao conselleiro de Medio Rural, porén, "non lle consta" que se estea a producir este efecto chamada.
O conselleiro de Medio Rural, José González, asegurou que "non hai evidencias tanxíbeis" de que se estea producindo un "efecto chamada" na plantación de eucaliptos en superficies onde non os había antes debido á moratoria anunciada pola Xunta da Galiza e que non está prevista que se active até maio. Con ela impedirase plantar eucalipto alí onde non o houbese con anterioridade. En resposta a unha interpelación sobre este asunto formulada pola deputada do BNG María González Albert, o conselleiro precisou que, en todo caso, a tempada de primavera é a "época ordinaria para realizar plantacións" e que, por tanto, ve "evidente que estas se produzan" nestes momentos. O conselleiro precisou que a medida é unha regulación temporal que, unha vez que entre en vigor, adopta un control, primeiro, na prohibición de novas plantacións e, en segundo termo, na permisión de replantacións só naqueles terreos nos que xa había esta especie cumprindo a legalidade vixente. Enfronte, a deputada do BNG María González Albert alertou dunha "situación de boom" de plantacións de eucaliptos, unha problemática "ante a que ningún representante político da Xunta saíu ao paso para avanzar medidas de solución". "Se non lle consta, búsquese outro traballo, como non lle vai constar, cónstalle pero miran para outro lado", asegurou a parlamentar nacionalista, que denunciou "conivencia" do Goberno galego con este tipo de plantacións. O conselleiro aseverou que o eucalipto permite que máis de 80.000 familias poidan ter ingresos e advertiu que os seguirán tendo, uns 200 millóns de euros de ingresos cada ano, remarcou. Estas políticas, engadiu, sosteñen o Plan Forestal da Galiza, que definiu como "unha iniciativa que ten o máximo consenso", pese a que o movemento ecoloxista, entidades agrarias e sindicatos fixeron forte oposición a este plan da Xunta.
NOS_34598
Agustín Fernández Paz, Xosé Ramón Pena, Guadi Galego, Cineuropa, Xaquín Marín, A Panadaría e Miguel Vila, gañadores dos Premios da Crítica Galiza 2015.
O ditame da 38ª edición dos Premios da Crítica Galiza, nas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais, Artes Escénicas e Audiovisuais e Cultura Gastronómica, deuse a coñecer este sábado no Hotel Os Escudos de Vigo ante 350 persoas. A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz, Premio de Creación Literaria O xurado de Creación Literaria, formado por Xosé María Lema Suárez, escritor, gañador da edición anterior; Eulalia Agrelo, crítica, presidenta de ELOS; Carme Vidal, xornalista cultural; María Xesús Fernández, crítica; Manuel Rodríguez Alonso, crítico; Chus Nogueira, crítica, presidenta da Asociación da Crítica Galega e Xavier Senín, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz (Xerais), Zapatillas rotas de Xabier Quiroga (Xerais) e Penúltimas tendencias de Carlos Negro (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de Agustín Fernández paz A viaxe de Gagarin editada por Xerais. O xurado salientou que "A viaxe de Gagarin é unha novela que vén culminar un ciclo narrativo, na que o autor realiza unha emotiva viaxe desde o presente cara a unha parte da nosa historia recente tantas veces silenciada". Historia da Literatura Galega II. Rexurdimento de Xosé Ramón Pena, Premio de Investigación O xurado da modalidade de Investigación, formado por Xosé Ramón Freixeiro Mato, catedrático UDC, gañador da edición anterior; Jesús de Juana López, catedrático UDV; Manuel González González, catedrático USC; Xosé Benito Reza, enxeñeiro forestal; María Edita de Lorenzo Rodríguez, catedrática da UDV; Aida Fernández Ríos, oceanógrafa, Instituto de Investigacións Pesqueiras de Vigo e Afonso Vázquez Monxardín, que actuou como secretario en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia acordou declarar como finalistas ao científico e investigador Miguel Anxo Murado García e ás obras Conciencia política e literatura galega en Madrid de Ana Acuña (Xerais); Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento de Xosé Ramón Pena (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Historia da Literatura Galega II de Xosé Ramón Pena (Xerais). O xurado destacou que a obra gañadora constitúe un libro de referencia imprescindíbel. "Fai unha excelente e documentadísima revisión crítica das cuestións máis controvertidas do Rexurdimento galego", apuntou. Cineuropa, Premio de Iniciativas Culturais O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Mercedes Rosón, Subdirectora da área de Cultura da USC; Encarna Lago, xerente da Rede Museística da Deputacion de Lugo; Francisco Porto, xestor cultural, director de Latamuda; Belén Fortes, xestora cultural; Xabier Límia, activista cultural; Ana Isabel Vázquez, activista cultural e Antón Sobral que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cineuropa, Programa Conciencia e Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira. Tras as derradeiras deliberacións acordou por unanimidade outorgar o premio a Cineuropa. O xurado salientou que outrogou o premio a Cineuropa "pola calidade, o compromiso e a excelencia deste festival que permite a visión das mellores películas de ámbito europeo, que nos facilita o coñecemento doutras culturas e tamén polo decidido apoio ao cine galego". Guadi Galego, Premio de Música O xurado da modalidade de Música, formado por Anxo Pintos, músico, membro de Berrogüetto, gañador da edición anterior; Belén Bermejo, empresaria musical Sirgo torcendo; Antonio Borrazás, director de programación sala Capitol; Marían Fernández Álvarez, xestora cultura, O Cable Inglés; Bieito Romero, músico, membro de Luar na lubre e Tito Lesende, xornalista musical e responsable de comunicación de SGAE. e Marcos Lorenzo Gallego, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Guadi Galego, Festival de Pardiñas e a Central Folque. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a Guadi Galego. O xurado salientou de Guadi Galego "a súa traxectoria coherente, impecábel e ancorada na terra, así como o feito de ter acadado un estilo persoal e á marxe de etiquetas". Xaquín Marín, Premio de Artes Plásticas e Visuais O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Antón Pulido, pintor, gañador da edición anterior; David Pintor, ilustrador; Manuel Gallego Jorreto, arquitecto; Paula Gómez del Valle, fotógrafa; Paula Mariño Pazo, comisaria de exposicións e profesora; Emilia Guimeráns, escultora e ceramista, e Charo Portela, que actuou como secretaria, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Xaquín Marín, Liqen e David Rubín. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Xaquín Marín. O xurado salientou do Xaquín Marín "unha traxectoria que reúne tradición e actualidade, feita sempre dende unha visión moi persoal". "Pan, pan" de A Panadaría Teatro, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado por Luis Patiño, director de cine, gañador da edición anterior; Belén Pichel, presidenta de Escena Galega; Manuel Xestoso, crítico; Ángel Suanzes, xornalista de cine TVG; Montse Dopico, xornalista cultural; Tamara Canosa, actriz. e Camilo Franco, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Pan, pan de A Panadaría Teatro, Perplexo de Il Maquinario Teatro e a Alfonso Zarauza pola dirección de Os Fenómenos. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a "Pan, pan" de A Panadaría Teatro. O xurado salientou de Pan, pan "a decisión de facer un teatro que responde as dificultades dos tempos e a romper os prexuízos asociados ao humor feito por mulleres". Miguel Vila Pernas, Premio de Cultura gastronómica O xurado da modalidade de Cultura gastronómica, formado por Maite González do Grupo Cuevas, gañador da edición anterior; Delfina Cendón, hosteleira; Xavier R. Baixeras, escritor; Beatriz Sotelo, cociñeira d' A Estación de Cambre; Luis Paadín, sumiller; Lidia Folgar, nutricionista e por Ernesto Sánchez Pombo, que actuou como secretario, en representación da Fundación Premios da Crítica Galicia, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Miguel Vila Pernas, Restaurante Verruga e Secreto Galaico Castañam. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Miguel Vila Pernas. O xurado salientou de Miguel Vila "a traxectoria de recuperación e posta en valor da culinaria galega tanto considerada dende o punto de vista tradicional como de novas propostas".
NOS_6472
O Estado, propietario do banco, xa destituiu ao cumio de CatalunyaCaixa, outra entidade nacionalizada, e agora quere cambiar á de Novagalicia banco. Ao presidente autonómico non lle chista a idea, de aí que esté a intentar que Castellanos se manteña á fronte da entidade.
O Frob puxo os cartos. E por iso pon á xente que quere á fronte das nacionalizadas Catalunya Caixa e Novagalicia banco (NGB). No primeiro caso, xa consumou a manobra, destituíndo ao cumio da entidade catalán. As rendas, agora, estarán nas mans de Carlos Pla , home da máxima confianza do presidente dofondo público, Fernando Restoy. O goberno catalán foi, nesta cuestión, un actor pasivo, sen marxe de manobra algunha. E semella que en NGB acontecerá o mesmo,segundo prensa especializada como Economía Digital, que indican que desde o Frob apóstase por sacar a Castellanos da fronte da entidade financeira. Algo do que non gosta Núñez Feijóo, que estaría a manobrar para que este seguirsena máxima responsabilidade. En contra de Castellanos xogaría que a entidade pechase 2012 dunhas perdas de perto de oito mil millóns de euros, segundo a propia entidade financeira recoñece nun comunicado remitido esta terza feira á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).
NOS_45588
O Concello de Pontevedra traballa na posta en valor dos achados arqueolóxicos da cidade, creando contidos específicos, dinámicas e itinerarios para achegalos á sociedade con rigor histórico e artístico. O proxecto implica adaptar o funcionamento do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais para reconvertelo no Centro de Interpretación da Cidade Medieval como punto de saída de roteiros sobre a historia de Pontevedra.
—Son un concello que leva moitos anos traballando no ámbito da memoria, en que liñas van actuar de cara ao futuro? Estamos introducindo algunhas actividades dirixidas a espertar o interese pola memoria entre a xente máis nova, e para iso ofertamos unha programación aos centros de educación secundaria que inclúe conferencias, documentais e microteatro, até obradoiros de rap, que buscan pór luz para esclarecer a verdade sobre os acontecementos históricos ocultos e poder comprendelos así na súa exacta dimensión. Dentro desta aposta, estamos intentando levar os contidos da memoria ás redes sociais, estudando a idea de facer vídeos de TikToc con mensaxes claras e dinámicas sobre o acontecido, que sirvan de exemplo para non repetir o pasado. —Un dos vosos programas máis importantes céntrase na recuperación da historia das mulleres, após o traballo de divulgación da figura de Virxinia Pereira, cales van ser son os seus próximos traballos? O programa A memoria das mulleres non só busca sacar á luz nomes totalmente descoñecidos senón tamén mudar as biografías de mulleres máis recoñecíbeis pero que ficaron na sociedade cunha imaxe estereotipada: Virxinia Pereira, a señora Lola, a utilleira do Pontevedra ou Josefina Arruti. Continuaremos nesta liña coa feminización do rueiro da cidade, a colocación de paneis e a elaboración de murais que as homenaxeen. A isto hai que engadir os recursos de documentación que imos recollendo na páxina Do gris ao violeta. —Unha das liñas novas da súa área e a recuperación do pasado de Pontevedra no período do Reino da Galiza, que nos pode dicir ao respecto? Esta iniciativa radica na posta en valor dos achados arqueolóxicos da cidade, creando contidos específicos, dinámicas e itinerarios para achegalos á sociedade con rigor histórico e artístico. O proxecto implica adaptar o funcionamento do Centro de Interpretación das Torres Arcebispais para reconvertelo no Centro de Interpretación da Cidade Medieval como punto de saída de roteiros sobre a historia de Pontevedra. Con esta actuación daremos protagonismo a unha época dourada na historia da cidade, centrada nos séculos XV e XVI, momento en que tiña o porto medieval máis importante da Galiza, e que fai da cidade unha singularidade dentro da Galiza, xa que é o único peirao medieval galego, vinculado á Ponte do Burgo, elemento fundamental no esplendor comercial da cidade da época.
NOS_43704
Unha anarcofeminista, unha feminista liberal e unha feminista queer que foran amigas de adolescentes quedan unha fin de semana despois de moitos anos sen verse. Son ideoloxicamente tan opostas que non se aturarían nin cinco minutos se non fose porque entre elas tamén pode haber empatía. Porque unhas axudan as outras a enfrontar as súas propias contradicións. Así é Feminíssimas, de De Ste Xeito Producións, unha obra interpretada por Esther F. Carrodeguas, Stephy Llaryora e Noelia Blanco que representa algúns dos debate actuais dos feminismos.
De Ste Xeito Producións, a produtora de Stephy Llaryora, comezara con Loló y mamá, unha peza sobre o amor-odio entre nais e fillas, para seguir con Running, unha obra sobre o amor de parella nun mundo no que hai que correr demasiado como para pensar en buscar parella. Feminíssimas, con dramaturxia de Esther Carrodeguas e dirección de Xavier Castiñeira, é a terceira parte desta triloxía sobre o amor. "Ía ser sobre o amor da amizade e eu propúxenlle a Stephy confrontalo coa ideoloxía", explica Carrodeguas."Apetecíame moito documentarme sobre a historia dos feminismos. E gústame facer iso: aproveitar o traballo para informarme a min mesma sobre os temas que me interesan", asegura. Foi un traballo de documentación complexo e baseado, sobre todo, en lecturas sobre a historia dos feminismos. Cada unha das actrices, en paralelo, documentouse para preparar a súa personaxe. Mais Feminíssimas non é, segundo Carrodeguas, unha peza de personaxes ao uso. Pois as tres amigas son máis ben "colaxes", "bandeiras dunhas ideas", construtos que á autora lle serviron para representar diferentes debates vivos dentro dos feminismos. "Que pasa?", pregúntase Carrodeguas, "se estás contra a xestación subrogada pero unha amiga túa vai ter unha crianza por xestación subrogada. Se non estás co queer pero tes unha amiga queer". Desa tensión parte a dramaturxia. Apoiándose en personaxes que correrían o risco de ser caricaturas, clixés. "Non son, é certo, personaxes apegados á realidade", explica Carrodeguas. "Non sei se son tópicos, pero eu a verdade é que non quería crear personaxes individualizados, por iso aceptei esa posibilidade", sostén. As personaxes encarnan, de feito, posturas extremas e antagónicas. "Serían os tres lados dun triángulo", sinala Carrodeguas. "Se as levásemos á realidade non sería así, porque as persoas non son bandeiras", engade. O obxectivo non é que o espectador tome partido por unha delas, senón que se identifique con distintos aspectos das tres e, a través delas, cos seus propios preconceptos. "Podemos ter posicións que consideramos moi afastadas do feminismo liberal, por exemplo, pero despois ser empresarias, coma Stephy e coma min, e estar de acordo con algunhas cousas que din as liberais. Eu mesma estaría bastante perto da miña personaxe, Gabi, porque me identifico co queer". A obra explora bastante, de feito, as contradicións de cada unha das personaxes. Ser anarcofeminista e vivir nun mundo capitalista. Ou ser feminista liberal e levar no corpo as pegadas dun dos xeitos de violencia de xénero. "Presentar as súas contradicións era a maneira de humanizalas. Porque a persoa que porta unha bandeira non se confunde coa bandeira. Ruka, anarcofeminista, é a máis expansiva das tres. Tería que ter participado no metoo, tería que ter falado e denunciado, pero non se atreveu a denunciar o que lle pasara. Todas somos humanas e temos contradicións", reflexiona a autora. A personaxe de Ruka, de feito, podería estar máis desenvolvida. "Preocupábanos a personaxe de Bea, a liberal. O discurso de Ruka é xa máis coñecido", indica a autora. Mais ao final a de Bea amosa unha maior solidez. Ruka representa ademais, en si, varios aspectos da historia dos feminismos radicais que poden afastala do que podería ser o pensamento dunha muller de hoxe. É ela quen debate con Gabi sobre o feminismo terd. Se queres saber máis desta obra non tes máis que mercar o Nós Diario de mañá nos quiosques ou na nosa loxa para a súa lectura na nube. Tamén podes facer a subscrición xa mesmo: atoparás unha opción que se adapte a ti!
NOS_18521
O goberno galego abandonará as oficinas propias no exterior e venderá a súa imaxe nas embaixadas e organismos españois. Co pretexto do aforro pasará a depender das estratexias da cada vez máis desvalorizada "marca España"
O presidente do goberno galego modificou a estratexia exterior para decidir que Galiza non conte con sedes de promoción e comercialización propias no exterior. A partir de agora o noso país pasará a ocupar "parte" das oficinas que o goberno español ten en diferentes países. "Tomamos a decisión de trasladar a de París, Berlín e Estambul ás instalacións do ICEX ou ás embaixadas, en función da dispoñibilidade loxística, e en función da dispoñibilidade de espazo", xustifícase Feijóo. A razón deste cambio de idea en relación coa promoción da propia marca Galicia, presentada non hai moito e cun investimento importante, é para Feijóo unha cuestión económica. "Aforrar, diminuír, evitar duplicidades e mellorar a efectividade do gasto público", son as palabras que empregou o xefe do executivo galego despois da reunión de onte co ministro de Asuntos exteriores e de cooperación, José Manuel García-Margallo, e co secretario de Estado de comercio, Jaime García-Legaz, para asinar un protocolo de colaboración. A razón deste cambio de idea en relación coa promoción da propia marca Galicia, presentada non hai moito e cun investimento importante, é para Feijóo unha cuestión económica Da 'marca Galicia' á 'marca España'Da experiencia exterior de galegos e galegas Feijóo lembrouse para sinalar que hai moitos anos "que os galegos traballamos no exterior" e que "un millón e medio de galegos viven fóra de Galicia e fóra de España", mais non mencionou as instalacións moito máis económicas que por todo o mundo xestionan, desde hai anos, emigrantes. A idea expresada polo presidente galego é apostar por formar parte da marca España, pedíndolle ao goberno español que teña en conta "as especificidades do norte, do noroeste e, concretamente, de Galicia". Deste xeito o gasto empregado estes anos pasados en promocionar a marca Galicia, lembremos a campaña de 2010 con cambio de logo incluído, poderían quedar en nada. A marca España pola cal aposta Feijóo é un proxecto que retoma Rajoy mais que parte da época Aznar. Naceu en 2002 como iniciativa do Instituto do Comercio Exterior (ICEX), o Real Instituto Elcano, o Foro de Marcas Renombradas Españolas e a Asociación de Directivos de Comunicación (Dircom). Desde entón, pouco se sabe do seu traballo até hai pouco máis de quince días cando nomearon o madrileño Carlos Espinosa de los Monteros, ex-vicepresidente de Inditex, como o seu alto comisionado. Segundo recoñecen fontes do propio goberno español, a marca España está a pasar por un dos seus peores momentos e a actividade de Espinosa, polo de agora, foi acompañar El-Rei na visita oficial a Moscú. A propia presentación oficial desta iniciativa está sen realizar e non hai nin data aproximada. A información sobre Galiza na páxina web do ministerio de Asuntos exteriores é case anecdótica. Imaxe de Galiza no ministerio de Asuntos exteriores Na páxina web oficial do ministerio de Asuntos exteriores a información sobre Galiza é case anecdótica. A versión en galego non está completa e no apartado "¿Desea viajar a España? conozca nuestro país" fálase da cultura do Estado español como a de " Cervantes e Velázquez". No único apartado propio, o de Santiago de Compostela como cidade Patrimonio da Humanidade, a ligazón non funciona. En todo caso a maior información é sobre turismo e remítese a outro portal web.A proposta de Feijóo é que "a Marca España teña en conta tamén as especificidades do norte, do noroeste e, concretamente, de Galicia" aínda que sempre "desde a cooperación e desde a lealdade" ao Estado español.
NOS_16688
Outra empresa histórica do auxiliar ferrolán anuncia o seu peche pola falta de encargos dos estaleiros públicos, situación que deixará sen traballo a 75 persoas.
A compañía auxiliar Atenasa, dedicada á habilitación e illamento de buques desde hai catro décadas, anunciou a súa intención de pechar e despedir aos 75 traballadores que conforman o plantel. Únese así a outras empresas históricas do sector naval ferrolán afogadas pola falla de carga de traballo nos estaleiros públicos da ría, principalmente na área de novas construcións. Non será, porén, un camiño doado para a dirección da firma, que presentou un concurso volutario de acreedores uns días antes de que finalizase o ERTE de seis meses que afectou a boa parte do persoal, nomeadamente a man de obra. O comité láiase da falla de información e, de feito, acusou á empresa de actuar "de mala fe" ao non informarlle desta decisión nas reunións que mantiveron con posterioridade e de nin tan sequera contemplar outras medidas menos traumáticas. O Comité acusa á empresa de actuar de "mala fe" A representación social, que manterá este martes unha nova reunión co administrador concursal, xa explicou que presentará unha denuncia no xulgado ao considerar "viciado" todo o proceso. As perdas de máis de 300.000 euros son, sinalan, con Facenda e mais a Seguridade Social, mais, en calquera caso, "non son suficientes nin xustificativas para non podermos remontar nunha situación normal de carga de traballo". Ademais, ven unha "manobra escura" na forma de actuar do empresario, que recentemente creou unha compañía parelela -Tecais, tamén dedicada a habilitación e que fai moitos traballos para as tendas do grupo Inditex- na que os traballadores posúen unhas condicións laborais máis cativas. "O obxectivo", sinala un traballador, "é claro: desfacerse dun plantel que, de media, leva máis de 12 anos na compañía, con compañeiros con tres décadas de antigüedade, para quedar cos que teñen unhas condicións máis baixas".
PRAZA_1059
O movemento está a celebrar asembleas e accións para poñer en valor a traxectoria da Casa. A vindeira semana fará públicas unha serie de iniciativas e reivindicacións, que comezan pola petición de dimisión da coordinadora de actividades do centro
A mediados do pasado ano botaba a andar a Plataforma en Defensa da Casa da Xuventude de Ourense, formada por usuarios e usuarias a título individual, por representantes de colexios profesionais, colectivos ecoloxistas, sindicatos estudantís e por formacións políticas. Nacía para reivindicar o valor de varias décadas de bo funcionamento dunha entidade que dende os anos setenta foi un motor para a cultura e o asociacionismo xuvenil na cidade, ademais dun exemplo de coxestión a cargo dos propios usuarios e usuarias. Naceu tamén para denunciar as eivas da actual xestión, especialmente trala designación como directora de Mercedes Valeiras, funcionaria do Centro de Menores de Montealegre e curmá de Alberto Núñez Feijoo. A Plataforma está a organizar asembleas e encontros abertos, "unificando e xuntando información" para, a partir da vindeira semana, poder facer públicas as reivindicacións e iniciativas da Plataforma, "co principal obxectivo" de conseguir a dimisión de Mercedes Valeiras, así como a supresión do seu posto de coordinadora de actividades, a conseguinte restitución dos plenos poderes da Dirección do centro, e a reactivación do Consello de Xestión con todas as súas funcións coxestoras, "logrando un órgano de goberno participativo e democrático e recuperando un espazo pensado para a mocidade de Ourense". Destacan que desde a chegada de Mercedes Valeiras á Casa, primeiro como directora e actualmente como coordinadora de actividades, "posto creado ad hoc para ela mesma" -denuncian- "vivimos o desafiuzamento da xuventude ourensá deste espazo". "O seu mandato, por riba da dirección do lugar, implicou que toda actividade que non fose do seu agrado morrese, ou ben marchase" -sinalan- "A excesiva burocratización para solicitar un espazo, a negación de partidas orzamentarias para actividades culturais sen ningún tipo de argumento ou a petición de obxectos persoais para poder facer uso dos ordenadores, son algunhas da infinidade de trabas que se viven a diario no agora chamado Espazo Xove de Ourense". Desde a chegada de Mercedes Valeiras á Casa, primeiro como directora e actualmente como coordinadora de actividades "vivimos o desafiuzamento da xuventude ourensá deste espazo" A Plataforma quere tamén poñer en valor a traxectoria da Casa, e sinalan que "un referente nacional da magnitude da Casa da Xuventude de Ourense, conseguido durante anos de traballo, non pode facerse murchar en cuestión de meses". Para facer fincapé no bo funcionamento anterior deste espazo lanzaron unha iniciativa para que a xente enviase vídeos de menos dun minuto explicando que significara a casa para eles. "Continuaremos esixindo unha solución até que actividades como o Outono Fotográfico, o Maio Xove ou as Teatradías volvan encher Ourense de xuventude", din. "Un referente nacional da magnitude da Casa da Xuventude de Ourense, conseguido durante anos de traballo, non pode facerse murchar en cuestión de meses" Conclúen que "diversos son os motivos que nos animan a continuar nesta loita mais, sobre todo, a ilusión e a necesidade de ter un espazo do noso, pensado por e para nós". "Se, durante anos, xeracións de mozas ourensás pasaron pola Casa da Xuventude para realizar actividades, coñecer xente, formarse e medrar, foi precisamente porque unha boa xestión do espazo facilita e fai posible o desenvolvemento cultural e social, mellorando as nosas competencias en eidos que non se aprenden na escola", destacan. A Plataforma fai tamén un chamamento "a todas as organizacións e asociacións políticas, sindicais, sociais e culturais da cidade a amosar publicamente o seu apoio á Plataforma, así como a implicarse da actividade da mesma". Manifesto da Plataforma
PRAZA_1805
Dende 2012, o número de inmobles de obra nova e rehabilitados en Galicia practicamente igualouse, fronte a un ratio de 5 edificios novos por 1 recuperado nos anos anteriores
A crise económica tivo como efecto case inmediato unha drástica redución do número de inmobles de nova planta construídos en Galicia, que en 2007 chegaran aos 8.485, movéndose neses anos entre os cinco e os oito mil novos edificios en cada exercicio. En 2009 baixaron, por primeira vez en moito tempo, dos tres mil novos inmobles e a cifra continuou en descenso, ata os 1.300 e 1.200 de 2013 e 2014. O que permaneceu constante, case inalterado polos tempos de auxe inmobiliaria ou polos anos de crise, foi a cantidade de edificios que eran rehabilitados. O seu número, en ascenso dende os 911 de 1994 ata os 1.786 de 2008, sufriu apenas un leve descenso, situándose por riba dos 1.200 entre 2011 e 2014. A recesión económica igualou, polo tanto, as actuacións de rehabilitación e as construcións novas, unha tendencia que se mantén nos catro primeiros meses de 2015, con 441 novos edificios, fronte a 401 obras de recuperación de inmobles A recesión económica igualou, polo tanto, as actuacións de rehabilitación e as construcións novas, unha tendencia que se mantén nos catro primeiros meses de 2015, con 441 novos edificios, fronte a 401 obras de recuperación de inmobles. Entre xaneiro e abril de 2014 iniciáronse 390 novos edificios, fronte a 358 obras de rehabilitación. Hai que ter en conta, ademais, que Galicia conta con 30 mil vivendas novas sen vender, segundo os datos que fixo públicos hai unhas semanas o Ministerio de Fomento. En toda a comunidade hai máis de 300 mil vivendas baleiras, segundo datos do INE de 2011, das que máis de 75 mil foron construídas na primeira década do século, coincidindo coa burbulla inmobiliaria, e outras 27 mil corresponden á década dos noventa. Hai algunhas iniciativas, coma a posta en marcha polo Concello de Rianxo, que buscan fomentar a recuperación de inmobles, poñendo en contacto a propietarios de edificios baleiros con posibles interesados en habitar unha nova vivenda. O rexistro de rehabilitación de Rianxo procura varios obxectivos, comezando polo propio "impulso á conservación e recuperación do patrimonio construído", xerando núcleos de poboación máis compactos, con mellores servizos e unha mellor ocupación do territorio, contribuíndo ademais a "deter a sangría demográfica, sobre todo nas zonas rurais, a que volva haber vida nas vilas e nas aldeas", como destacaba para Praza o impulsor do proxecto, Carlos Henrique Fernández Coto. Ademais, engadía, "habitando núcleos que hoxe están quedando deshabitados, loitas tamén contra o maltrato da paisaxe, pois unha casa abandonada crea ao seu redor unha paisaxe degradada". Galicia conta con 30 mil vivendas novas sen vender e ao redor de 300 mil vivendas baleiras, un terzo delas con menos de 25 anos "O viño novo fermenta mellor entre madeiras vellas. A vida moderna entre paredes antigas semella distinguirse, mellorarse". O Proxecto Arga (Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia), co que falamos en Praza hai uns meses, fai bandeira do escrito polo arquitecto catalán Jeroni Martorell i Terrats en 1935. ARGA busca inventariar, divulgar, poñer en valor e dar a coñecer a todas aquelas iniciativas de rehabilitación de edificios abandonados en Galicia, proxectos que lles outorgan unha nova fasquía e novas funcións a inmobles e arquitecturas do pasado, no canto de derrubalos e substituílas, e que deste xeito manteñen -anovada- a súa estrutura e esencia. A rehabilitación supón "respectar o patrimonio arquitectónico popular e poñelo en valor é un dos alicerces de unha sociedade civilizada", apostando por "mellorar antes que medrar" O modelo de crecemento levou a que moitas vivendas tradicionais foran abandonadas polos seus propietarios ou deixaran de exercer nelas os labores de mantemento e conservación necesarios para mantelas en condicións de habitabilidade. A rehabilitación, destacan os responsables do rexistro de Rianxo, supón "respectar o patrimonio arquitectónico popular e poñelo en valor, un dos alicerces de unha sociedade civilizada", apostando por "mellorar antes que medrar". Haberá que ver se, no momento en que se perciban os efectos dunha recuperación económica, se volve apostar de forma masiva pola construción de edificios de nova planta, ou se ese investimento se dirixe tamén cara á rehabilitación.
NOS_7256
Demite após afirmar nun primeiro momento que non tiña nada a ver con empresas 'offshore'.
José Manuel Soria deixa todos os seus cargos: ministro de Industria, Enerxía e Turismo en funcións, deputado do Partido Popular e presidente do PP en Canarias. A súa renuncia prodúcese após se coñecer a súa relación con empresas offshore, algo que el negaba. "Após conversa co presidente do Gobierno, trasladeille a muña decisión irrevocábel de presentar a miña renuncia expresa ás funcións que como Ministro de Industria, Enerxgía e Turismo teño encomendadas desde o pasado día 21 de diciembre", recolle po comunicado emitido por José Manuel Soria. O até agora ministro en funcións vira como nas últimas horas se complicaba a súa situación, após aparecer informacións periodísticas que desmentían as negativas de Soria. Fontes cercanas ao alto mando do PP daban por descontado que Soria tería que demitir.
NOS_42421
Obtivo 73% dos votos na segunda volta e impúxose en todas as provincias agás nas dúas máis occidentais.
Actor e comediante de 41 anos, Volodimir Zelenski venceu nas eleccións de Ucraína cun resultado histórico: 73% dos votos. Derrotou así o actual presidente ucraíno, Petró Poroshenko, que atinxiu 24,6% dos votos e xa recoñeceu a súa derrota. A participación nos comicios foi de 61%. Ao declarar a vitoria na sede de campaña prometeu que non decepcionará os seus votantes e dirixíndose ás repúblicas que fixeron parte da extinta URSS dixo: "Mirádenos! Todo é posíbel!". Zelenski cabalgou na precampaña e campaña cunha mensaxe anticorrupción e de crítica á elite política e económica que goberna Ucraína após o golpe de Maidán. En asuntos chaves, os posicionamentos de Poroshenko e de Zelenski son idénticos, como no achegamento á UE e a OTAN. Anunciou a súa intención de sentara falar co presidente ruso, Vladimir Putin, sobre o conflito de Donbass. "O principal agora é ser honrado e decente fronte ao pobo. E que Deus non permita que abandone o camiño", afirmou. Veto ao Partido Comunista O Goberno ucraíno prohibiu a candidatura presidencial de Petró Simonenko, secretario xeral do Partido Comunista. Após o golpe de Estado de 2014, o novo réxime iniciou unha persecución da oposición que se mantén até hoxe. De feito, o PCU foi ilegalizado e os seus parlamentares, expulsados do Parlamento. Aliás, puxo en marcha a chamada "lei de descomunistización", que prohibe calquera opinión positiva sobre o pasado soviético e sobre o comunismo en xeral, tamén nas escolas e nos medios de comunicación.
PRAZA_7347
Escribo estas liñas agora que está rematando o 2012 coa seguridade de ter sobrevivido á fin do mundo prognosticada polos maias, que en realidade era simplemente un cambio de era. Pero profecías á marxe, a sensación que me queda deste ano que xa remata é de medo, de temor ó presente e ó futuro. Quizais a principal culpa destes medos é da crise económica, que todo o contamina e da que ninguén é quen de fuxir.
Escribo estas liñas agora que está rematando o 2012 coa seguridade de ter sobrevivido á fin do mundo prognosticada polos maias, que en realidade era simplemente un cambio de era. Pero profecías á marxe, a sensación que me queda deste ano que xa remata é de medo, de temor ó presente e ó futuro. Quizais a principal culpa destes medos é da crise económica, que todo o contamina e da que ninguén é quen de fuxir. Os medios de comunicación tiveron grande responsabilidade en lembrarnos permanentemente o mal que está todo, ateigando as nosas vidas de datos económicos negativos: O paro medrou, a afiliación á Seguridade Social baixou, a confianza na clase política tocou o chan, o consumo privado e o investimento público continuaron caendo, etc. A sensación que me queda deste ano que xa remata é de medo, de temor ó presente e ó futuro. Quizais a principal culpa destes medos é da crise económica, que todo o contamina e da que ninguén é quen de fuxir Este foi o ano no que coñecemos a un novo membro da familia, a prima de risco, que nunca coma agora determinara tanto as nosas vidas, ata o punto de que na altura do verán a súa evolución foi seguida por máis xente cá vida de moitas celebridades. Tamén se fixeron famosos os concursos, pero non o de Gran Hermano ou Cifras e Letras, senón os de acreedores, pois moitas empresas atopáronse imposibilitadas de pagaren as súas débedas a curto prazo; en moitos casos ós bancos. Algún deles tamén pasou o 2012 con moitas dificultades, coma Novagalicia Banco, que deixou de ser noso para ser do Estado, e todo apunta a que no 2013 deixará de existir como tal, sendo un Botín moi apetecible para os grandes bancos españois. Tamén lembrarei este 2012 por unhas siglas que se repiten cada vez con máis frecuencia: os ERE; que son unha figura na que os poderes públicos recoñecen implicitamente que os recursos humanos son un atranco para as empresas con problemas e que é mellor botalos Tamén lembrarei este 2012 por unhas siglas que se repiten cada vez con máis frecuencia: os ERE; que son unha figura na que os poderes públicos recoñecen implicitamente que os recursos humanos son un atranco para as empresas con problemas e que é mellor botalos. Xente que nalgún caso tivo que durmir literalmente na rúa ou nos caixeiros. Os bancos ós que o Estado e maila UE estiveron axudando enormemente puxeron neste 2012 a moitas persoas fóra das súas casas, contribuíndo a incrementar o noso vocabulario xurídico en galego a través de palabras coma desafiuzamento, que ás veces compartiron espazo nos telexornais coa palabra suicidio. E mentres todo isto ocorría os políticos seguiron vivindo alleos ós cidadáns, constituíndose xa nunha nova preocupación para a sociedade, máis aínda tralos novos casos de corrupción do caso Pokémon ou das operacións Campión ou Carioca. A este paso van ter que contratar a un lingüista para denominar a tanta operación anticorrupción. E mentres todo isto ocorría os políticos seguiron vivindo alleos ós cidadáns, constituíndose xa nunha nova preocupación para a sociedade Curiosamente, a pesar do cansazo encol da política expresado pola xente nas sondaxes, os resultados das eleccións habidas en España no 2012 deixaron no poder a quen xa o tiña (casos de Galicia, Cataluña ou Andalucía) ou a quen o tivo case sempre (Euskadi). Foi a primeira vez que se convocaron no mesmo ano eleccións nas comunidades con ciclo electoral propio. E aínda que a dereita resultou gañadora nas 3 comunidades que conforman a Galeusca, o ronsel que deixaron foi antagónico: namentres en Cataluña se abriu o camiño cara a autodeterminación, cousa que se albisca en Euskadi ó ter como forzas hexemónicas a PNV e Bildu, en Galicia camiñamos cara a autoindeterminación, pois aquí venceron os que non acreditan nas nosas propias capacidades e por iso miran constantemente a Madrid. Refírome a vitoria de Núñez Feijoo, que aumentou en 3 deputados a súa representación malia perder máis de 100.000 votos. Pero viuse beneficiado pola lei d´Hont e pola febleza da oposición parlamentaria, onde PSdeG e BNG se presentaron carentes de liderados fortes e de partidos cohesionados, sobre todo no último caso tralas escisións habidas ó longo do ano e que deron como resultado a saída de varios grupos do BNG (Máis Galiza, Irmandiños, etc). Precisamente a alianza entre os Irmandiños e Esquerda Unida (Alternativa Galega de Esquerdas), capitaneados por Beiras, foron os gañadores morais das eleccións galegas do 21 de outubro ó apañar 9 deputados tras un só mes de existencia. Aínda que a dereita resultou gañadora nas 3 comunidades que conforman a Galeusca, o ronsel que deixaron foi antagónico A volta de Beiras ó Parlamento contrasta coa marcha para sempre do seu antigo rival, Fraga, que finou no 2012 ante a incredulidade dalgúns que pensabamos que era inmortal. A ver agora con quen vai ir xantar Beiras... E no eido deportivo tivemos as boas novas dos ascensos do Dépor e Celta á 1ª división, do Lugo á 2ª e, non menos importante, do Ourense á 2ªB, todo nun ano no que o Real Madrid lle gañou a Liga española ó Barça e a selección española de fútbol conseguiu un novo título europeo, con xogo moi bonito pero sen galegos no campo. A ver se no 2013 o noso presidente ten a ben permitir que a selección galega poida desputar partidos de novo, xa que a española quédanos un pouco lonxe. Agardemos que no 2013 se invirta a tendencia e que non se cumpra unha das leis de Murphy, que di que "todo o que é susceptible de empeorar efectivamente empeorará" En fin, que o 2012 foi un ano moi negativo en moitos ámbitos, pero como todo nesta vida ten un final agardemos que no 2013 se invirta a tendencia e que non se cumpra unha das leis de Murphy, que di que "todo o que é susceptible de empeorar efectivamente empeorará". Como diría o anuncio de Gadis, maloserá. De todos nós depende.
NOS_31484
A Fiscalía británica, en representación dos EUA, ten dúas oportunidades máis para que a xustiza atenda a petición de extradición do fundador de WikiLeaks, acusado de espionaxe no país norteamericano. En primeira instancia foi denegada, mais non por atentar contra a súa liberdade de expresión, senón por causas humanitarias.
A xustiza británica determinou esta segunda feira, 4 de xaneiro, que o fundador de WikiLeaks, Julian Assange, non sexa extraditado aos Estados Unidos, onde está acusado de 18 cargos relacionados con espionaxe que lle poderían supor unha pena de até 175 anos de cárcere, informaron as axencias internacionais. A xuíza Vanessa Baraitser tivo en conta moitos dos argumentos da parte estadounidense, mais resolveu a favor de Assange con base nos seus problemas de saúde. En concreto, cítanse as tendencias suicidas que mostrou durante o seu encarceramento na prisión de Belmarsh, en Londres, alén do trastorno do espectro autista (TEA) ou a depresión con que foi diagnosticado. "Considero que o risco de o señor Assange cometer suicidio, de se emitir unha orde de extradición, é substancial", sinalou Baraitser na sentenza, onde se engade que "a impresión xeral é a dun home deprimido e en ocasións desesperanzado, que dunha forma sincera teme polo seu futuro". Porén, rexeitou que a extradición se debese desbotar con base nos argumentos de "liberdade de expresión" esgrimidos pola defensa. A maxistrada cre que as accións de Assange foron máis alá da xornalismo de investigación. Ademais cre que non hai probas que evidencien que de ser extraditado aos EUA non fose a recibir un xuízo xusto. Agárdase agora que no prazo límite estabelecido de 14 días as autoridades estadounidenses apelen a decisión no Alto Tribunal de Xustiza de Londres (a corte suprema para Inglaterra e Gales), mais o caso podería chegar, en última instancia, até o Tribunal Supremo do Reino Unido. Na cuarta feira, non obstante, Baraitser decidirá se concede a liberdade condicional a Assange mentres se resolve o recurso. "Motivación política" O pasado mes de setembro retomouse a vista para decidir sobre a extradición do fundador de WikiLeaks. Washington acúsao de pór en perigo informantes e activos estratéxicos coa publicación en 2010 de cables diplomáticos e documentos secretos sobre accións militares estadounidenses no Iraq e no Afganistán que revelaron actos de tortura, mortes de civís e outros abusos. Clive Stafford-Smith, representante legal de Assange, defendeu durante todo o proceso que detrás das acusacións hai unha "motivación política". Cre que o verdadeiro motivo do Reino Unido para deter a Assange en 2012 ─e despois en 2019, tras sete anos refuxiado na embaixada do Ecuador en Londres─ é a determinación do seu aliado o Goberno dos EUA ─con Barack Obama ou con Trump na Casa Branca─ de facelo pagar por evidenciar os crimes de guerra. Stafford-Smith, avogado de numerosos prisioneiros en Guantánamo, incidiu neste punto durante a vista. Os documentos filtrados ─dixo─ permitíranlle gañar procesos xudiciais para "varias persoas inocentes encarceradas" no centro de detención que Washington ten na illa de Cuba. E explicou que as filtracións lle abriran os ollos ás "torturas, extradicións ilegais e asasinatos" cometidos polos EUA. WikiLeaks e Assange saltaron á luz pública en 2010 coa publicación dun vídeo do Exército dos EUA onde se recolle un ataque con helicópteros Apache, acontecido tres anos antes en Bagdad, a capital iraquí: unha ducia de civís desarmados perderon a vida. Maguire, Nobel da Paz en 1976, propón a Assange para o galardón deste ano Mairead Maguire, premio Nobel da Paz en 1976 pola súa contribución no conflito de Irlanda do Norte, nomeou a Assange como candidato na edición de 2021 a este galardón. Canda a el tamén incluíu o ex militar estadounidense Chelsea Manning e o ex analista da CIA Edward Snowden, todos eles responsábeis da divulgación de documentos secretos que levou ao seu encarceramento ou persecución polas autoridades. Na carta enviada ao comité do Nobel, Maguire destacou as súas accións, "cun alto custo para a súa propia liberdade e para a súa vida". De Manning dixo que "non puido encubrir por máis tempo o asasinato de civís iraquís". De Assange, que "cumpriu co seu deber como editor e publicou os feitos das guerras do Iraq e do Afganistán". E de Snowden, que "desvelou que o Goberno estadounidense estaba a vixiar ilicitamente Gobernos e cidadáns de todo o mundo".
NOS_29576
Outorgado polo Ministerio de Cultura.
Francisco Xavier Senín Fernández foi galardoado co 'Premio Nacional á Obra dun Tradutor 2020', segundo informou o Ministerio de Cultura e Deportes, que distingue así a súa "dilatada" carreira como tradutor ao galego, "a partir de obras de gran variedade temática e tipolóxica". O xurado do premio, que concede o Ministerio de Cultura, destacou como a obra de Senín abrangue desde clásicos como "O Quixote" a libros de literatura infantil e xuvenil, banda deseñada... "As súas traducións destacan pola súa calidade e meticulosidade, nas que mostra un coñecemento pouco común das variedades diatópicas, diastráticas e diafásicas do galego", indica o fallo do xurado deste galardón, dotado con 20.000 euros. O 'Premio Nacional á Obra dun Tradutor' ten como obxecto distinguir o conxunto do labor realizado por un tradutor do Estado español, sexa cal for a lingua ou linguas utilizadas no desenvolvemento do seu traballo, e que dedicase especial atención á tradución de obras estranxeiras a calquera lingua do Estado español. Tradución Como tradutor, Xavier Senín ocupa un espazo de relevancia tanto pola cantidade como pola calidade das súas achegas. Ademais, foi impulsor e presidente da Asociación de Tradutores Galegos (ATG), creada en 1985 para potenciar a tradución ao galego como ferramenta de normalización lingüística; e redactor responsable da edición galega de O Correo da Unesco dende a súa aparición en 1989 ata 2001. Moitos dos títulos que levou á lingua galega están dirixidos ao público máis novo, sempre no centro da súa atención, un interese que o levou tamén a asumir a presidencia da Organización Española do Libro Infantil e Xuvenil (1998-2001). O filólogo, nacido en Pontecesures, encarna unha das figuras máis destacadas do panorama da tradución ao galego con máis de 150 volumes publicados en numerosas editoriais, desde obras de gran popularidade como Astérix até clásicos como O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha.
NOS_3170
17 familias poderían ser desafiuzadas no barrio coruñés de Elviña para construír un parque de 2.400 vivendas; na cidade hai 20.000 casa baleiras. Esta é a cara B do Parque Ofimático proxectado nos '90 entre a Xunta de Galiza e o Concello
Segundo os dados que manexan colectivos sociais como Stop-desafiuzamentos, na cidade da Coruña hai 20.000 vivendas baleiras. Porén, no barrio de Elviña, o proxecto dun Parque Ofimático ameaza con botar da casa 17 familias que ficarán sen a vivenda e, aliás, contraerán unha débeda millonaria co Concello en concepto de 'urbanización' da zona para a construción dos edificios que albergarán 2.400 pisos. Visitamos dúas familias afectadas: a de Manuel, un home de 85 anos que ten xa a orde xudicial para abandonar a súa casa; e a de Estrella, cuxa débeda ascenderá a 125.000 euros. 42.000 euros pola primeira cota de urbanización Cóntannos que o Parque Ofimático non é un plan novo. Foi deseñado nos anos '90 pola Xunta de Galiza e o Concello da Coruña. Inicialmente eran 400 as vivendas que se ían construír e 50 delas estaban reservadas para as familias que xa vivían no lugar. A día de hoxe esas 50 xa non se contemplan, polo que @s veciñ@s afectadas ficarán sen casa. Aliás, 17 del@s, as que non quixeron vender os seus terreos á construtora, foron convertidas á forza en "promotor@s", obrigad@s a pagar unhas cuotas que nin a Xunta nin as empresas están a abonar. "A factura da primeira cuota de urbanización que nos pasaron é de 42.000 euros e eles quedaron co que nos deron pola casa", conta a familia de Estrella. "Eles" é o Concello da Coruña, quen lle taxou a vivenda en que moran en 90.000 euros escasos; quedaron con ese diñeiro e reclaman a maiores 125.000 euros en concepto de cuotas. "Hai quen debe 300.000 euros", subliña a familia de Manuel. Explican que en Elviña xa expropiaron terreos para o campus universitario, para o proxecto de Someso... "e só se fixeron ricas as construturas, o resto fomos perdendo o que era dos nosos pais". O Concello denuncia nos xulgados que @s veciñ@s non queren marchar Leva toda a vida no barrio e a orde xudicial de despexo chegou nestes días. El non sabe nin ler nin escribir. Di que non vendeu as leiras porque se fiou do que lle dixeron: que habería unha casa para as familias afectadas. Lonxe de sentar a negociar coa veciñanza, o Concello remitiu unha queixa aos xulgados. "Queixáronse de que querían entrar para continuar coas obras e que non podían porque nos negamos a abandonar as nosas casas". A concellaría de Urbanismo escúdase en que, malia non lles daren un piso, si que lles dan metros cadrados edificábeis. Porén, "en metros cadrados edificábeis non podemos vivir", quéixanse. Aos poucos, tod@s @s veciñ@s foron recibindo citacións xudiciais. A primeira orde de despexo veulle a Manuel. Se resta o que lle debe ao Concello do que lle dan pola casa, quédanlle libres 1.000 euros para construír a vivenda nova neses metros cadrados edificábeis que teñen para el. "Que facemos con 1.000 euros? Mercamos tendas de acampada para vivir nelas?" O que reclaman é que se lles garanta unha vivenda ás familias que quedan sen ela. Segundo contan, a empresa Xestur expropiou nos '90 por volta do 55% dos terreos que ocuparía o Parque e, unha vez que se fixo con eles, anunciou que as 50 casas para as familias que viven alí desaparecerían do proxecto. "A xente que mercou pisos reclama que se constrúan. Normal. O que queremos é que non nos deixen a nós sen casa", continúan @s afectad@s. Levan tempo a se mobilizaren, mais "a presión policial que temos enriba é enorme e cada vez que nos movemos xa nos veñen identificar a todos". Non só as 17 familias que non venderon as terras están en contra deste pelotazo urbanístico. Entre quen vendeu, algunhas familias intentaron recuperar as súas parcelas. Nos '90 pagáronlles por elas dez mil pesetas o metro cadrado; hoxe pídenlles polo metro cadrado 260 euros. Após explicar a situación en que se atopan, conclúen taxativ@s: "o que queren facer aquí é outro Gaiás".
NOS_23753
A loita contra os abusos laborais en Mercadona levou María López a recibir, a mans da CIG, o Premio 8 de Marzo, "por non dubidar en ningún momento en exercer os seus dereitos como traballadora e por defender as súas compañeiras fronte aos abusos da dirección da empresa".
"Mulleres como María fan grande este proxecto que é a CIG". Con estas palabras, María López recibía a pasada sexta feira nun acto en Compostela o Premio 8 de Marzo pola súa loita contra os abusos laborais en Mercadona. A secretaria das Mulleres da CIG, Marga Corral, describiu a sindicalista como "unha muller valente que, desde o inicio, denunciou que Mercadona é unha empresa cun marcado carácter sectario, onde existe unha falta total de liberdade e onde predomina a cultura do medo". O sindicato nacionalista outorgoulle a María López o recoñecemento por "non dubidar en ningún momento en exercer os seus dereitos como traballadora, en defender as súas compañeiras fronte aos abusos da dirección da empresa, en facer sindicalismo e en formar parte dun modelo sindical como o da CIG, aínda sendo consciente das consecuencias que isto puidese ter para ela". María López sufriu desde 2010 e durante perto de catro anos unha "persecución constante, deixaron de pagarlle a prima durante varios anos e mesmo tentaron orquestrarlle un despedimento", informou Marga Corral. Tamén pola súa defensa da dignidade como traballadora e como nai, a CIG recoñeceu cunha mención especial o labor de Nélida Pisco. A súa loita nun sector masculinizado como é o do transporte de persoas xa recibira o Premio 8 de Marzo en 2011. Extel, Premio 10 de Marzo Pola outra banda, o conflito que en 2016 protagonizaron as traballadoras e traballadores de Extel contra un ERE que "desde o primeiro momento era unha fraude" recibiu o Premio 10 de Marzo. Suso Seixo, secretario xeral da CIG, salientou que o conflito nesta empresa "exemplifican as múltiplas loitas, non poucas veces silenciadas, que ao longo do ano protagonizan as traballadoras e traballadores galegos". Lembranza de Elvira Patiño O acto de entrega dos premios encetou coa emotiva lembranza a Elvira Patiño. Suso Seixo entregoulle unha figura de Julia Ares á familia da sindicalista, a quen se lle recoñeceu toda unha vida de compromiso coas clases traballadoras. A CIG lembra que Elvira Patiño Ogea foi Secretaria Confederal de Servizos do sindicato até o seu pasamento o pasado 4 de decembro. "Desenvolveu un importante labor na defensa dos dereitos da clase obreira galega, na construción e consolidación da propia CIG, sendo fundamental o seu activismo para situar a problemática laboral e social da muller no centro do debate sindical", salientou a central nacionalista.
NOS_11969
A concesionaria da autoestrada que vertebra a costa atlántica galega advirte de que pedirá unha indemnización se perde a xestión, e en consecuencia os ingresos das peaxes, da infraestrutura. Alude así ao procedemento de infracción aberto contra España pola Comisión Europea por autorizar a última prórroga sen unha licitación pública. A compañía xa ten reclamada unha compensación pola caída do tráfico durante o estado de alarma.
A concesionaria da AP-9, Audasa, xa pensa a súa estratexia no caso de que perda a xestión da autoestrada e, polo tanto, os ingresos polas portaxes. Esta cuarta feira estimou en máis de 1.000 millóns de euros a indemnización que reclamará ao Estado español no caso de que o procedemento de infracción aberto pola prórroga na concesión remate coa liberación da infraestrutura. A compañía, que xa ten reclamada unha compensación pola caída dos ingresos derivada do parón no tráfico rodado durante o estado de alarma, aludiu así ao procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra España por incumprimento da normativa comunitaria ao autorizarse a última prórroga desta infraestrutura sen unha licitación pública. O que parece unha ameaza aparece recollido nun folleto remitido á Comisión Nacional de Mercado de Valores (CNMV) a finais do mes de outubro con motivo dunha emisión de obrigacións (que ten previsto facer este mes, por importe de 300 millóns).Así, a empresa insiste en que "calquera medida que puidese contemplar a modificación ou terminación do vixente contrato de concesión por causa non imputábel a Audasa e por razóns de interese público implicaría, en todo caso e conforme á lexislación vixente, o dereito de Audasa a ser debidamente indemnizada".Desde o seu punto de vista, esa compensación "sería superior ao importe actual da súa débeda". Ao feche de 2020 o seu endebedamento bruto situábase en 1.065 millóns de euros, segundo figura no mesmo escrito. Contexto do conflito Estas declaracións xorden despois de que a Comisión Europea anunciara o pasado 23 de setembro a apertura de expediente a España pola extensión até 2048 da concesión da autoestrada galega sen abrir unha licitación pública. Bruxelas enviou unha carta de emprazamento, o primeiro paso nos procedementos comunitarios de infracción, ás autoridades españolas para garantir a correcta aplicación da regulación europea na concesión de contratos, ao considerar que España non cumpriu coas súas obrigacións nesta materia. En concreto, o Executivo europeo considera que a última ampliación da concesión da AP-9, que ampliará o pago de peaxes até 2048, non se fixo de acordo á lexislación europea. Esta cuestión xurde a partir dunha denuncia da asociación galega En Colectivo polo pago das portaxes. Previsión de acontecementos Pola súa banda, este escrito á CNMV tamén detalla os pasos para seguir polo procedemento de revisión aberto pola Comisión Europea (CE). De tal modo, tras a carta de emprazamento, se a CE chega á conclusión de que o Estado non cumpre as súas obrigacións, pode enviar un ditame motivado, é dicir, "unha petición formal para que se dea cumprimento" á lexislación europea. No caso de que o Estado manteña o incumprimento, a CE pode remitir o asunto, mediante demanda, ao Tribunal de Xustiza da UE ( TXUE). De tal modo, se o TXUE fornece un auto no que considera que España infrinxe a normativa europea, o Estado "poderá adoptar ou non aquelas medidas que considerase adecuadas para axustarse á sentenza". É aquí onde Audasa advirte de que se deberá indemnizar á compañía en caso de saír prexudicada.Estas advertencias danse cando, como informa á Comisión Nacional do Mercado de Valores, xa reclama 46,2 millóns de euros ao Goberno pola perda de ingresos no primeiro estado de alarma (do 14 de marzo ao 30 de setembro de 2020).
NOS_27566
Galiza é terceira pola cola en vacinación, segundo dados oficiais, ao poñer apenas 80% das doses recibidas, 4 puntos por baixo da media no Estado español.
A Consellería de Sanidade comezará a partir de hoxe, 6 de abril, unha "vacinación masiva" das persoas que naceron entre os anos 1942 e 1946, así como entre 1956 e 1961. Nestes casos a convocatoria farase atendendo a criterios de idade, comezando polos maiores. No caso dos nados entre 1942 e 1946, que recibirán a vacina de Pfizer, vanse citar 90.000 persoas mediante un SMS con confirmación hoxe mesmo e cunha chamada robótica con confirmación mañá día 6. Así mesmo haberá unha chamada dende os equipos de citación o mércores, tan só aos que non teñan confirmado a súa cita polo SMS ou a chamada robótica. Haberá 14 puntos de vacinación. Na área da Coruña vaise citar a 18.300 persoas no IFECO e no Hospital Virxe da Xunqueira. Na área de Lugo, A Mariña e Monforte citaranse 11.600 persoas no HULA e nos hospitais da Mariña e Monforte. Na área de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras vacinaranse 12.600 persoas en ExpoOurense, e nos hospitais de Verín e Valdeorras. En Pontevedra e O Salnés serán 9.000 persoas a vacinar no Pazo de Congresos e Fexdega. Na área sanitaria de Vigo serán 17.500 persoas as que ser van vacinar en IFEVI. En Santiago e Barbanza 14.600 persoas vanse vacinar na Cidade da Cultura e no Hospital de Barbanza. En canto a área de Ferrol chamarase a 6.400 persoas para acudir a FIMO. Estas vacinacións terán lugar entre a quinta feira e o domingo día 11. No que atinxe aos nados entre 1956 e 1961, que recibirán a vacina de AstraZeneca, citarase 55.000 persoas por medio dun SMS que non precisará confirmación. Finalizada cada xornada, chamarase os non asistentes para citalos nos seguintes días dispoñibles. Haberá 14 puntos de vacinación. Na área da Coruña e Cee vaise citar 11.250 persoas no IFECO e no Hospital Virxe da Xunqueira. Na área de Lugo, A Mariña e Monforte citaranse 7.100 persoas no HULA e nos hospitais da Mariña e Monforte. Na área de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras vacinaranse 6.600 persoas en EXPOOURENSE, e nos hospitais de Verín e Valdeorras. En Pontevedra e O Salnés serán 5.350 persoas a vacinar no Pazo de Congresos e Fexdega. Na área sanitaria de Vigo serán 11.500 persoas as que ser van vacinar en IFEVI. En Santiago e Barbanza 9.200 persoas vanse vacinar na Cidade da Cultura e no Hospital de Barbanza. En canto a área de Ferrol chamarase a 4.000 persoas para acudir a FIMO. Estas vacinacións terán lugar entre a tarde de mañá e o mércores día 7, agás Ferrol onde se vacinará entre o mércores e o xoves.
NOS_36449
O 8 de maio é o 40 aniversario dun día chave na pugna da veciñanza pola recuperación para uso público das marismas de Baldaio. Cilia Torna lembra nesta reportaxe aquela loita.
A orixe do preito de Baldaio remontase a 1947. Naquela altura, o Concello de Carballo aproba unha concesión administrativa a dous particulares, para a posta en marcha dunha factoría piscicola e unha parque de cría e engorde de moluscos nas marismas de Baldaio. A concesión, que ocupara unha superficie de 2.07.528 m2, vinte veces máis do máximo permitido, será transferida en 1954 á mercantil Baldayo S.L que após incumprir os prazos e o fin da concesión, xa que o seu negocio se centra na extracción de area, verá renovada a mesma en 1975 polo Goberno de Estado. Será neste momento, canda algúns veciños da zona, organizadas nas organizacións nacionalistas comecen as súas protestas, combinando, ao tempo unha actuación no ámbito legal, fundamentalmente na xurisdición do penal, e outra no plano social, onde destacan as paralizacións dos traballos ou as sabotaxes a maquinaria e ao material da empresa. Haberá que agardar, logo, a organización do nacionalismo na comarca para que a loita en defensa das marismas de Baldaio entre nunha nova fase. Máis unha vez, as asociacións culturais, neste caso o grupo "Nos" e a súa continuadora "Lumieira", foron as plataformas utilizadas para axitar conciencias polos militantes da UPG e posteriormente da ANPG de Carballo, organizando coa faciana desa estrutura legal,xuntanzas e asembleas cos veciños e veciñas afectadas. Ao tempo, os militantes nacionalistas, maiormente estudantes de bacharelato no Instituto de Carballo, contactaron cos estudantes dos lugares afectados que xogaran un papel chave, canda o membro dos Comité de Apoio a Loita Labrega Paco Felípez, na formación das Comisións Labregas. Ao fin, póñense en marcha, aínda na clandestinidade, os primeiros núcleos das mesmas, destacando polo seus prestixio e combatibidade o de Lema, arredor de persoas como Oliva Pose, Farruco castro, Manuel Esmoris ou Xosé Aldao. Non será casual que sexa Carballo, neste caso outro domingo de feira en Abril de 1976, a primeira localidade galega que acolle a primeira protesta pública das Comisións Labregas O 8 de Maio de 1977, arredor de catro mil persoas convocadas polas Comisións Labregas, coa apoio das organizacións que naquela altura conformaban o movemento nacional popular galego, percorreron as rúas de Carballo para esixir o uso público das marismas de Baldaio. A manifestación, que percorreu a capital de Bergantiños nun Domingo de feira, rematou fronte á casa do Concello, onde toman a palabra, Xosé Esmorís, veciño de Lema e militante das Comisión Labregas, Ramón Valcarce, cura das Encrobas e representante da AN-PG e Xan Fraga, dirixente da UPG na localidade. Mentres os presentes cantaban o himno galego, a mobilización e rodeaba por membros da Garda Civil, comezando a continuación unha carga indiscriminada con metralletas e mosquetóns, que remata con multitude de feridos, ficando o día, en palabras do xenial humorista de Lema e afiliado das Comisións Labregas Carlos "O Xestal", "Oito de maio, feira en Carballo e hostiazos de carallo". Unha parte dos manifestantes, acordan acudir pola tarde ao adro da Igrexa de Lema, co fin de homenaxear ao veciño desta localidade Marcelino Fernández, morto en 1976 a consecuencia do castigo imposto por unhas gardas de seguridade da empresa concesionaria das marismas de Baldaio. Rematado o acto, os concentrados, dirixidos por Oliva Pose, símbolo daquela loita, deciden ocupar as praias de Baldaio, iniciándose unha batalla desigual entre un grupo de mil manifestantes e as forzas de seguridade. As cargas, as bolas de goma, os botes de fume, feriron de consideración a máis cincuenta persoas, sendo internados durante días no hospital da Coruña, a consecuencia das feridas, Oliva Pose e o seu compañeiro Farruco Castro. Ramón Valcarce, Paco Felipez e Xosé Esmoris, militantes nacionalistas que acudiran a interesarse polo seu estado de saúde, foron detidos no propio hospital, conducidos ao cuartel da Garda Civil, onde foron duramente torturados, remataran na prisión provincial, onde foron liberados diante da presión popular. A loita de Baldaio non rematará até principio da década dos noventa. O 24 de Xaneiro de 1991, o Tribunal Supremo poñía fin a un litixio xudicial iniciado en 1985 pola Cooperativa de Acuicultores de Lema-Baldaio no que solicitaban a anulación da concesión da empresa Baldayo SL e declaraba o uso público das marismas. Atrás quedaba unha longa loita, con capítulos de dignidade como o feche en setembro de 1977 dos veciños de Lema na Igrexa de Carballo, pero tamén de sufrimento e abusos. Á morte de Marcelino Fernández, sumáselle a malleira ao "Varelo", que tornaría por deixalo paralítico, ou o acoitelamento á compañeira dun membro da Cooperativa de Lema-Baldaio, ou o cárcere e as detencións de tantas veciñas e veciños. Porén o clima de terror, a represión ou a conivencia dos poderes públicos e das forzas de seguridade coa empresa concesionaria, non puideron con perseveranza, coa unidade e a firmeza das xentes de Bergantiños e do conxunto do pobo galego. Como afirmaba en 1994, Oliva Pose: "Custou moito, máis valeu a pena"
NOS_40979
PSA-Citröen é a primeira grande empresa na Galiza que modifica unilateralmente as medidas de protección contra a pandemia aprobadas na volta á actividade. Desde este mes reducen descansos e frecuencias de limpeza das zonas comúns, ademais de incrementar o ritmo de traballo cando o persoal aínda leva EPI. CIG e CUT denuncian que buscan reducir custos e aumentar beneficios.
A volta ao traballo de numerosas operarias e operarios na Galiza non está a ser doada. As empresas, obrigadas a contar cunhas estritas normas de seguridade como consecuencia da actual pandemia da Covid-19, reiniciaron a súa actividade presentando as medidas que consideraron oportunas. Foi o caso da factoría PSA-Citröen de Vigo que volveu á actividade o pasado 11 de maio de maneira gradual, comezando pola incorporación de 3.400 membros do seu cadro persoal até chegar aos 7.400 cos que conta en total. Daquela a multinacional presentara un plan de prevención adaptado ás normas exixidas polo Ministerio de Sanidade baseadas, nos seus alicerces, na distancia social, a hixiene en espazos públicos e privados e o lavado de mans. Compromisos de PSA No plan presentado por PSA no mes de maio, ademais do reinicio gradual da actividade por quendas, anunciaba unha diminución do nivel de produción que revertería na redución da velocidade das liñas de montaxe acordada no marco do protocolo de medidas de seguridade que se implantará para evitar a propagación da Covid-19. Nesas medidas incluíase a a subministración de máscaras e xel hidroalcohólico, así como a limpeza "frecuente" de ferramentas e outros útiles de traballo. O informe presentado pola empresa fora avalado avalado polo sindicato independente e UXT e rexeitado por CCOO, CIG e CUT. Cambio de medidas en xullo As forzas sindicais CIG e CUT denunciaron onte en Compostela que PSA mudou estas medidas de seguridade en xullo sen negociar e asegurando que eran instrucións que debería adoptar todo o grupo en Europa. "Colleunos por sorpresa a todas e a todos", aseguran desde a sección sindical da CUT a Nós Diario, "non consultaron nin co comité de seguridade e saúde da factoría", engaden. A empresa, segundo os sindicatos, limitou o uso de vestiarios e duchas polo que o persoal ten que acceder ao recinto con roupa de traballo. Da mesma maneira teñen limitado o acceso aos servizos e ás zonas onde hai máquinas de expedición de alimentos, reducindo os tempos de descanso, polo que non teñen posibilidade de acceder con liberdade nas pausas laborais. CIG e CUT denuncian tamén que se aumentou a velocidade das cadeas, chegando a ritmos anteriores ao estado de alarma e empregando equipos de protección individual (EPI) sen que pasen por unha avaliación de riscos. "A empresa asegura que non realizou ningún estudo sobre as consecuencias de traballar con máscaras con temperaturas de 32º", explican desde a CUT, "algo que non entendemos", engade. Sobre esta circunstancia solicitaron un informe ao Servizo de Prevención e Avaliación de riscos para que teña en conta o protocolo de altas temperaturas nesta época do ano. Paralización do plan de desescalada Os sindicatos aseguran que as medidas actuais da factoría viguesa non se adoptaron noutras que ten o grupo en Madrid e Zaragoza. CIG e CUT afirman ter "abondo argumentos" para solicitar á empresa a paralización inmediata do plan de desescalada que, lembran "non negociou coa representación legal das persoas traballadoras". Por este motivo solicitan "a apertura dun proceso de negociación de cara a mellorar erros e incomodidades que o actual protocolo ten". Onte mesmo presentaron escritos no rexistro da Xunta, en Compostela, destinado a diferentes organismos e entidades como Inspección de Traballo, Sergas e Ministerio de Sanidade. Manuel Domínguez, delegado da CIG, explicou a Nós Diario que se recorre a diferentes Administracións para que "teñan coñecemento do que está a pasar alí dentro" e forcen a empresa a rectificar.
PRAZA_14291
Información xurídica e organizativa, social, de audiencia e económica sobre o xornal e a fundación que o sustenta.
Hoxe, Praza Pública publica o primeiro informe de transparencia, dando cumprimento a un dos compromisos asumidos na altura do lanzamento do xornal. Antes de mais nada, desexamos pedir desculpas pola demora en satisfacer tanto a nosa palabra como a vosa xusta demanda nese sentido. Informe xurídico e organizativo Durante os primeiros meses de existencia do xornal, o Padroado da Fundación Praza Pública estivo formado unicamente polos tres membros fundadores, cuxa dedicación fundamental foi dotar a entidade de plena personalidade xurídica. Despois do rexistro notarial no 12 de febreiro, procedeuse a realizar as xestións burocráticas pertinentes, que culminaron coa publicación no DOG do 26 de abril da Orde pola que se declara de interese cultural a Fundación Praza Pública e no DOG do 8 de xuño da Resolución do 21 de maio de 2012 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Praza Pública. Houbo tres factores que contribuíron decisivamente á demora suliñada no comezo: o escaso número de persoas que compuña o equipo organizativo nesa primeira etapa, o carácter voluntario do traballo realizado e o feito de que as xestións fosen máis complicadas e prolixas do inicialmente previsto. Aprendemos a lección para sermos máis prudentes no futuro á hora de medir as nosas forzas e os prazos en que podemos satisfacer os compromisos adquiridos, mais queremos deixar claro que en ningún caso houbo –nin hai, nin haberá– unha mudanza nin dos obxectivos nin da filosofía do proxecto. Hoxe, por fortuna, a situación é ben diferente. No día 24 de maio ampliouse o Padroado da Fundación Praza Pública e creouse no seu seo unha comisión de asuntos económicos que nos permitiu –mantendo o carácter voluntario de todo o traballo organizativo, xa que en Praza só se remunera o traballo xornalístico– aprimorar a nosa estrutura e comezar a dar saída aos asuntos pendentes, con especial intensidade á volta do verán. O Padroado da Fundación Praza Pública está composto polas seguintes persoas: os fundadores Filipe Diez (Presidente), Carlos Amoedo Souto (Vicepresidente) e Pablo No Couto (Secretario); os vogais Marilar Aleixandre, Antón Baamonde, Manuel M. Barreiro, Mª Dolores Candedo, Carolina Díaz Ripoll, Sonia Fernández Casal, Xoaquín Fernández Leiceaga, Luís Ferreiro Loredo, Xulia Guntín Araúxo, Henrique Monteagudo, Martiño Noriega, Encarnación Otero, Mª Xosé Porteiro, Antonio Pérez Casas e Valentim Rodrigues Fagim; e mais o Presidente de Honra, Francisco Pillado Mayor. Confirmaron a súa vontade de participar, mais están pendentes de formalizar o ingreso: Xosé Bangueses, Ana Luísa Bouza, Manuel Bragado, Víctor Freixanes, Ramón Máiz, Carlos Neira Suárez, Celia Pereira Porto, Lois Uxío Taboada e Teresa Táboas. Toda a información sobre a composición do Padroado da Fundación Praza Pública e sobre as súas modificacións está disponible no rexistro de fundacións da Xunta de Galicia, de acceso público. A comunidade de Praza: estado actual e medidas de impulso Unha das tarefas pendentes é a creación do Consello Asesor, organismo que pretende ser a voz e a vía de participación da comunidade na xestión do proxecto. Na última xuntanza do padroado, realizada o pasado xoves día 13 de setembro, decidiuse pór en marcha unha estratexia de reforzo do papel da comunidade que desemboque na creación dese órgao antes do primeiro aniversario do lanzamento do xornal. Como primeiro paso, quincenalmente actualizarase a listaxe de persoas contribuidoras, que recibirán puntualmente a notificación da recepción do seu ingreso, ademais de teren acceso de primeira man ás principais novidades atinentes ao medio e, así que poidamos, a pezas de merchandising. Pretendemos que ese contacto regular sirva para tomarlle o pulso ao que o público máis comprometido con Praza pensa do medio e do xeito en que debe evoluír para atinxir os obxectivos marcados. Esperamos poder facervos algunhas ofertas de interesantes beneficios aínda este mes, ademais de lembrarvos que todas as achegas teñen dereito a un 25% de desgravación fiscal no IRPF (ou do 35% do Imposto de Sociedades, no caso das persoas xurídicas). E seguimos a traballar no maior problema técnico do proxecto Praza: a posta en circulación da nosa moeda virtual e comunitaria, os patacóns. Do potencial social de Praza Pública, piar esencial dun medio comunitario como este, dan boa conta os datos das redes sociais (neste caso, os datos son do 18 de setembro). En Disqus, a rede de comentarios integrada no xornal, xa hai 1.774 usuarios rexistrados, que inseriron un total de 15.006 comentarios; ademais, as novas publicadas recibiron un total de 46.541 gústames, tanto de usuarios rexistrados como de lectores anónimos. No tocante a Facebook, Praza conta con 4.515 seareiros e chega a recibir perto de 30.000 lecturas semanais dos posts inseridos nesa rede. Pola súa vez, Praza xa é un medio de referencia en Twitter, con 5.425 seguidores. En Chuza, a principal rede galega de compartillamento de noticias, foron 313 as novas que chegaron á portada. Comentario aparte merece a presenza en Menéame, a rede social de compartillamento de noticias en lingua española, onde xa son 10 as portadas logradas por Praza a pesar da barreira lingüística. No mesmo período, Sermos Galiza (con case tres meses menos de vida) logrou 4 portadas, Galicia Confidencial 3 e tanto Galicia Hoxe como Dioivo ningunha, de entre os medios xeneralistas en galego; canto aos principais medios galegos en español, La Voz de Galicia obtivo 63 portadas, Faro de Vigo 12, El Correo Gallego 11, La Opinión A Coruña 10, Galiciaé (portal web de El Progreso e mais Diario de Pontevedra) 5 e La Región 1. Datos de audiencia Todos os datos de audiencia son referidos ao período que vai do 1 de febreiro (data de lanzamento do xornal) ao 15 de setembro. Nese tempo, praza.com recibiu 1.307.683 visitas de 333.684 visitantes únicos. Isto significa que, en só sete meses e medio, unha cifra equivalente a 1 de cada 8 galegos leu algunha nova en Praza. En cada visita, a media de lectura é de algo máis de dúas páxinas, o que fai un total de 2.707.875 páxinas vistas. A eses datos hai que agregar as 55.179 visitas, 27.457 visitantes únicos e 87.885 páxinas vistas do Obradoiro, a blogosfera de Praza aloxada baixo o dominio nomedoblog.prazapublica.com: os blogs máis lidos son, por esta orde, Se o vello Sinbad tivese fillos, Lusoafonia, Qadriños, Elos e canelas, O galiñeiro, Espazo vivo, Emprazarte, Circo de bacterias, Mar por medio e Cianuro nas mazás, aínda que no último mese tamén Un claro no bosque, Cinema na Praza, Código á feira, A ágora do aletófilo e Tripando terróns se teñen incorporado ao grupo de cabeza. Do total de visitas, un 73,89% procede de Galicia; o 19,18%, do resto do Estado español; e o 6,93%, do estranxeiro. En conxunto, Praza recibiu até agora visitas de 2.731 cidades pertencentes a 145 países diferentes. Entre as máis de 100 linguas de navegación, predominan o español, co 69,64%; o galego, co 15,29%; o inglés, co 9,42%; e o portugués, co 4,37%; mentres que todas as demais xuntas atinxen un 1,28%. Canto aos sistemas operativos, Windows lidera co 68,94%, seguido de Macintosh (11,80%), Linux (6,20%), Android (6,02%) e as diferentes versións do SO móbil de Apple (iOS 2,61%, iPad 1,86% e iPhone 1,61%); todos os demais sistemas suman en total un 0,96%. Os navegadores preferidos son Firefox (37,84%) e Chrome (27,96%), aínda que tamén conseguen porcentaxes importantes Internet Explorer (13,91%), Safari (10,16%), Android Browser (5,34%) e Mozilla (2,81%), mentres que os 53 restantes suman o 1,98%. Entre os provedores de internet, destacan R, que lidera con máis do 30% do público lector de Praza, e Telefónica, cunha porcentaxe próxima do 24%. Ben máis atrás –con porcentaxes que van do 4,7% ao 0,5%– atópanse outros provedores comerciais (Jazztel, Vodafone, Comunitel, Ya.com, Yoigo...) e tamén institucionais (USC, UVigo, UdC, SERGAS...). O uso de dispositivos móbiles para acceder aos contidos de Praza é dun 12,92% do total. Deles, o 46,58% funcionan baixo sistemas Android fronte ao 47,02% da tríada de Apple (iOS 20,17%, iPad 14,41%, iPhone 12,44%); o resto distribúese entre Blackberry (3,40%), SymbianOS (1,41%) e outros (1,59%). Para concluir este apartado, uns datos fundamentais. O primeiro deles é como chegan as lectoras e os lectores a Praza. Pois ben, un 45,12% faino a través de webs de referencia (fundamentalmente, redes sociais), un 33,94% directamente e un 20,94% mediante buscadores. En total, no período considerado, o público lector chegou desde 1.648 webs diferentes. Facebook (26,30%) e Twitter (8,04%) son –xunto co buscador Google e con grande diferenza sobre o resto de medios e redes– as principais fontes externas de tráfico de Praza Pública, aínda que o xornal tamén ten unha boa taxa de penetración en Chuza, Menéame e Blogger. Entre os medios de comunicación, os que máis tráfico achegan a Praza son El País Galicia, Galicia Confidencial e o portal Cultura Galega, con porcentaxes que varían do 0,24% ao 0,12%. Un dato negativo é a escasa penetración na rede social Tuenti, que só proporciona o 0,08% do tráfico de Praza. Outra pregunta fundamental: cales son os contidos que máis lles interesan? Ademais da portada, responsable polo 44,09% dos impactos, as seccións máis populares son Política (14,52%), Opinión e Editorial (9,04%), Fálase (6,12%), Cultura (5,26%), Movementos sociais (5,00%) e Economía (4,84%). A seguir van Ciencia e Tecnoloxía (2,90%), Deportes (1,25%), Lecer + Ducia (1,17%), Humor (0,49%), Mundo (0,36%) e Praza Aberta (0,08%), aínda que hai que ter en conta que algunhas delas son ben recentes e/ou comezaron a recibir un tratamento máis exhaustivo con varios meses de andamento do xornal. Como corresponde a un xornal con vocación netamente dixital, o peso dos recursos multimedia é moi notable, até o punto de equipararse (8,76%) ao das seccións de tráfico medio-alto. E por último, cales foron as pezas máis lidas neste tempo? Das 24.943 pezas publicadas, estas foron as que máis chamaron a atención: con 9.911 lecturas, encabeza a lista de maneira destacadísima a carta aberta de Xabier P. Docampo ao presidente Feijoo con motivo do incendio nas Fragas do Eume. En seguida, por riba das 5.000 visitas, están a crónica da saída do BNG do Encontro Irmandiño (5.668 lecturas), a crónica do suicidio colectivo no bou Eva (5.547) e a nova da liberación do código de Praza (5.259). Con máis de 4.000, figuran a crónica sobre o mítico dianteiro galego Pahíño (4.511), a páxina de información sobre a Fundación Praza Pública (4.254) e a crónica sobre as recentes declaracións de Feijoo cuestionando o uso das mamografías na sanidade pública (4.076). Completan a lista das vinte pezas máis lidas as novas sobre a aprobación por parte de Compromiso por Galicia dunha alianza electoral con Esquerda Unida e Anova (3.998) e sobre a decisión de Máis Galiza de saír do BNG (3.823), o estudo que propón a redución do número de concellos galegos a 142 (3.813), o saúdo ao nacemento de Dioivo (3.796), o editorial de lanzamento de Praza (3.657), a crónica da asemblea constituínte de Anova (3.627), a principal das pezas informativas sobre os incendios do Eume (3.578), a noticia sobre a constitución de Compromiso por Galicia (3.547) e a reportaxe sobre o roubo do pazo de Meirás pola familia Franco (3.518). Grazas aos datos da comunidade de seareiros de Praza Pública en Facebook, sabemos algo máis sobre vós: que a maioría sodes mulleres (50,7% fronte ao 47,2% de homes), especialmente se tedes menos de 35 anos, xa que nesas faixas de idade o predominio feminino é notable; que hai un 80,7% de posibilidades de que teñades entre 18 e 44 anos e un 40,0% de que esteades entre os 25 e os 34, o grupo de idade máis numeroso entre o público lector do xornal; e que 2 de cada 3 ledes as novas de Praza varias veces por semana e moitos entrades máis de unha vez ao día. Informe económico Todos os datos económicos poden ser consultados no documento anexo, no que se detallan as contas da fundación por meses, capítulos e conceptos de gasto no período que vai desde o 1 de febreiro –data de lanzamento do xornal– até o 19 de setembro do presente ano. Esa información será actualizada mensualmente e enviada a toda a comunidade, ademais de ser publicada na web regularmente –posiblemente con periodicidade trimestral, para facela coincidir cos períodos de liquidación de encargos sociais. Como podedes ver nas contas, os cartos destínanse case exclusivamente a facer xornalismo (con salarios dignos para os redactores e remuneracións igualmente dignas para os xornalistas colaboradores, sen explotación, sen impagamentos, sen bolseiros que exercen como redactores sen soldo...), ben como a pagar as ferramentas tecnolóxicas necesarias para esa función e os encargos sociais derivados das relacións laborais dos tres redactores. Outra evidencia que se tira do informe é que estamos aínda moi lonxe da sustentabilidade económica e necesitamos da vosa implicación para seguir a ser un medio comunitario e independente. Até agora, os ingresos obtidos desde o comezo da actividade do xornal só representan o 21,96% dos gastos que tivemos que afrontar nese espazo de tempo, cando a nosa intención –e, a estas alturas, xa necesidade– é atinxirmos unha porcentaxe próxima ao 100% nos próximos meses. A iso axudará a inserción de publicidade, mais non podemos confiar en que esa vía, por sí soa, sexa suficiente máis que para axudar a equilibrar as contas. A base da sustentabilidade de Praza Pública, como dixemos desde o comezo, serán as achegas –máis volumosas ou máis modestas, dunha soa vez ou periódicas– da comunidade de lectoras e lectores: ese é o noso modelo. Apostamos por crer no país e por pedirlle á parte máis comprometida da sociedade galega que nos dea a posibilidade de traballar para ela, dunha maneira independente, plural e crítica. Praza Pública é, porque así se definiu desde o momento da súa presentación, un xornal para o cambio, un medio para facer posible a Galicia que vén e para que cada un e cada unha de vós teña un canal onde informarse e desde o cal facer oír a vosa voz. E desexamos seguir a facelo por moito tempo; por iso a nosa campaña de subscricións e doazóns se chama Praza precisa de ti: pedímosche que colabores, que renoves o voto de confianza en nós se xa o fixeches, e que animes outras persoas a se incorporaren a este proxecto que é de todos, porque é un proxecto aberto e ao servizo do país, sen ataduras de ningún tipo. Contamos contigo!
NOS_14579
Laborando 2 non é só unha feira sobre muller e mundo laboral. Vai moito máis alá, cara a reflexión de aspectos integrais dos feminismo en "todas as esferas da vida". Desta volta, as actividades son virtuais e duran 15 días.
Laborando 2. Feira de Proxectos de Vida Feminista dá comezo esta tarde en formato virtual. Trátase dunha iniciativa de Aselafem (Asociación de Estudos Laborais Feministas) que se prolongará até 30 de novembro con acceso na web do colectivo. Participan no encontro 37 feirantas con proxectos profesionais e sociais liderados por mulleres e/ou de perspectiva feminista. Preténdese deste modo "visibilizar a presenza e o papel das mulleres en todos os ámbitos e esferas da vida". Na plataforma web poderanse visitar as diferentes propostas de maneira continua durante os 15 días de duración da feira no espazo Catálogo de Feirantas. Obradoiros e máis O programa de eventos consta de 10 obradoiros non-mixtos propostos polas participantes en áreas tan diversas e "relevantes para o apoderamento das mulleres e promoción do emprego feminino": Entre elas, atópanse os dereitos laborais, os coidados, a maternidade, o autocoñecemento ou a posta en marcha de negocios tendo considerando a perspectiva de xénero. Tamén recollen opcións formativas no eido da educación, a fotografía participativa e a relación entre ecofeminismo e literatura galega. Catro forums abertos achegaranse a aspectos fundamentais na vida e traballo das mulleres, como os coidados e a saúde, a precariedade laboral, a educación en igualdade e a organización colectiva e economía feminista. Nos Cafés de Feirantas, tamén abertos a todo público, poderase falar en directo con algunhas das participantes que darán a coñecer o seu traballo con máis máis profundidade.
NOS_34755
CIG, ELA, LAB e Intersindical-CSC reclaman ao Goberno do Estado español a derrogación das reformas laborais e de pensións, a recuperación dos dereitos "arrebatados" na crise e a fin da "centralización" en lexislación laboral e negociación colectiva.
CIG, ELA, LAB e I-CSC reclaman a derrogación total das reformas, a recuperación dos dereitos arrebatados á clase traballadora, e "o dereito a decidir no noso ámbito o modelo de relacións laborais, pensións e o sistema de protección social". Os primeiros maioritarios na Galiza (CIG), Euskal Herria (ELA e LAB) e o catalán I-CSC reuníronse en Bilbo esta cuarta feira para tecer unha "fronte" común que demande do Goberno español "democracia, soberanía e xustiza social". As catro centrais subscriben a 'Declaración de Bilbao', na que fan ficanpé en que "nas nosas nacións asistimos a un proceso constante de precarización laboral e social que se estende a todos os ámbitos da vida". O auxe que numerosas loitas están coñecendo nestes tempos (pensionistas, feminismo, movemento climático, conflitividade laboral e folgas) alimentan o mellor da sociedade "Acreditamos que o sistema actual non é sostíbel", proseguen, e responsabilizan desta situación "á teima dos gobernos nas políticas de austeridade, unha axenda neoliberal que deixa de lado a urxente transición social, ecolóxica, feminista e democrática do propio sistema, compartida ademais polos Gobernos autonómicos". Fan referencia tamén no documento ao "auxe da extrema dereita e a deriva cara ao autoritarismo de boa parte do o arco político", así como "á inexistencia dunha solución política no recoñecemento do dereito á autodeterminación". Catro puntos As reivindicacións destas catro forzas sindicais ao Goberno de PSOE e Unidas Podemos, resúmena en catro puntos: O primeiro, unha axenda social "inequívoca" e que pasa por reverter as reformas de pensións e as reformas laborais. Estamos convencidas de que só unha axenda desta natureza, ambiciosa e audaz, poderá poñer freo ao auxe do neofascismo que se estende en Europa e no Estado español "Reclamamos o dereito a decidir no noso ámbito o modelo de relacións laborais, pensións e o sistema de protección social", indican estes sindicatos. Nesta liña, demanda que se derroguen as reformas da negociación colectiva "que deron ás á estatalización das relacións laborais e, con iso, a dar máis amplitude á precariedade e aos baixos salarios". A terceira reivindicación é a dunha "axenda democratizadora ampla", que pasa pola derrogación da Lei mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal "que criminaliza o movemento social e sindical, a folga, a protesta e a reivindicación". A primacía da política para resolver os conflitos nacionais, "como o que enfronta a Catalunya e a o Estado", é a última demanda, na que tamén instan o Executivo a poñer en liberdade as e os presos políticos cataláns, poñer fin a política penitenciaria de excepción que lles aplican as e os presos políticos vascos e galegos, e recoñecer o dereito a autodeterminación.
NOS_40458
O servizo de bombeiros de Loire- Atlantique traballa na súa extinción.
Sesenta bombeiros están a tentar controlar un lume declarado pouco antes das 8 horas deste sábado catedral de San Pedro e San Pablo da cidade de Nantes, segundo confirmaron fontes de Bombeiros aos medios de comunicación franceses. As lapas comezaron no interior do edificio e chegaron a asomar temporalmente polo medallón da fachada, segundo informaron os bombeiros de Loire- Atlantique ao medio local 'Ouest- France'. As tarefas de extinción aínda seguen o seu curso. A catedral de Nantes, do século XV, xa padeceu en 1972 un espectacular incendio que destruíu a cuberta.
NOS_1563
'Ons' estrénase esta sexta feira en 16 salas de cinema.
Cuarta longa de ficción de Alfonso Zarauza após A noite que deixou de chover, Encallados e Os fenómenos. Unha progresión cinematográfica coa que comezaba ser considerado como un dos máis destacados cineastas do país e que se vén confirmar nesta peza rodada íntegra na illa de Ons; decorado natural incomparábel pero tamén un reto loxístico e de produción. Vai dunha parella, interpretada por Melania Cruz (Arima) e Antonio Durán 'Morris' (María Solinha), disposta pasar o verán na illa para tratar de superar un accidente traumático e darlle un pulo á relación. O aire da illa ou, mellor dito, o influxo do faro, séntalle moi ben ao home que pide alongar a estancia. A muller cede ao seu marido, unha decisión que a irá consumindo por dentro. A aparición dunha muller moribunda na praia (Anaël Snoek) fará de catalizador para destapar segredos inconfesábeis. O faro xoga un papel crucial no filme. Seica todo xira entorno o faro. Todo é farocéntrico. Case semella que o faro botase raíces na illa interconectando a todos os seus habitantes tal se fora un Crann Bethadh, a árbore celta da vida. O guión, firmado por Zarauza e Jaione Camborda, contén outros elementos ocultos sobre mitos, lendas e misterios de illas remotas. Ocultos en detalles sutís, referencias veladas ou frases soltas que pasan desapercibidas no groso do hiperrealismo dun drama centrado no paradoxo da liberdade na soidade, pero que cobran sentido na enigmática frase final coa que Zarauza fai o seu particular homenaxe a Billy Wilder. Tamén intúense ecos de Roberto Rossellini (Stromboli), na protagonista, ou David Lean (A filla de Ryan), no rol do parvo/listo da illa interpretado por Diego Anido que apunta a unha particular disputa nos Mestre Mateo co propio que encarnou Milo Taboada en A illa das mentiras. Outras interpretacións a destacar son a Marta Lado (Sicixia), como fareira da illa, a do seu marido Xúlio Abonjo (Encallados) ou a de Cris Iglesias (Eroski-Paraíso), nun brevísimo pero determinante papel. A presencia de Miguel de Lira (A esmorga) fai subir enteiros cada vez que aparece en escena. Zarauza autoimponse unha norma na realización: nada de contraplanos nin de cambios de plano. Todas as secuencias dunha vez, sen cortes. Un detalle técnico que cobra especial relevancia pois inhabilita a posibilidade de "arranxar" na montaxe. Unha aposta arriscada pero que subliña o nivel de dominio de Zarauza sobre o conxunto e que conecta coa vangarda do cinema europeo sacrificando a proximidade coas personaxes en prol do entorno e os espazos que as rodean, uns espazos que inflúen na maneira de percibir ás personaxes. E aí está o quid da cuestión... ONS (Galiza-Portugal 2020, 87 min.) Dirección: Alfonso Zarauza Guión: Jaione Camborda e Alfonso Zarauza Fotografía: Alberte Branco Música: Elba Fernandez e Xavier Font Elenco: Melania Cruz, Antonio Durán 'Morris', Xulio Abonjo, Anaël Snoek, Marta Lado, Diego Anido, Cris Iglesias, Miguel de Lira
NOS_24978
Considera que a negociación do acordo, asinado por UGT, CCOO e patronal, vulnera a liberdade sindical alén de recortar dereitos das operarias
A CIG anunciou que impugnará perante a Sala do Social da Audiencia Nacional o convenio para a conserva subscrito por patronal, CCOO e UGT (e que a sexta feira desta semana será ratificado oficialmente) por entender que é lesivo tanto na forma como no fondo. No que respecta á forma, a central nacionalista denuncia que se produciu unha "vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical" ao ser excluída a CIG dunha negociación colectiva para a cal estaba lexitimada. Non é unha cuestión menor, inciden desde a central, pois a comisión negociadora do convenio reuniuse de costas á CIG, "omitindo a preceptiva convocatoria a este sindicato". A xurisprudencia noutros casos semellantes, apunta o sindicato, supón unha vulneración do "dereito fundamental de liberdade sindical". Mais a CIG non se opón ao convenio só por cuestións de forma, senón que tamén amosa o seu rexeitamento ao contido e fondo deste. Por este motivo, lamentan que o incremento económico pactado para 2011 sexa dun 1,5% cando o IPC foi do 2,4 por cento. Nesta mesma liña, sinálase que o aumento salarial para 2012, 2013 e 2014 vai ser de "1,3% sen revisión". O sindicato nacionalista tamén critica que se incrementase en 8 horas a xornada anual, "as cales se aplicarán en 4 horas máis para o 2013 e outras 4 para o 2014". E ligado a este punto, tamén cuestiona a CIG que 120 horas sexan de "flexibilidade horaria anual". Iso tradúcese, prosiguen @s nacionalistas, "en que poderá prolongarse a xornada ao sábado e domingo". Por todo iso, a CIG cualifica o convenio subscrito por patronal, CCOO e UGT de "outra chapuza máis".
NOS_57760
Non se permitiría simboloxía independentista no estadio onde xogarán estas dúas equipas catalás. La Liga quer evitar que o partido permita visualizar o sentimento independentista en Catalunya.
Nos últimos días soou cada vez con máis forza que o Girona-Barça vai ser o partido escollido para o desembarco de 'La Liga' en Estados Unidos. O 27 de xaneiro sería a data e Miami a localización, se ben aínda non hai nada definitivo. En todo caso, La Liga xa estaría a tomar medidas para evitar que o partido sexa un clamor independentisa. Así, e segundo informou o programa 'El partidazo' da cadea Cope, estaría prohibida a simboloxía independentista no estadio mentres dure o partido entre estas dúas equipas catalás. Nesta liña, os axentes de seguridade estadounidenses serán advertidos para que non deixen entrar 'estalades' nin ningún símbolo a favor da soberanía de Catalunya no estadio. Aliás, soarían os himnos de Estados Unidos e de España antes de iniciar o encontro. Tamén existe a intención, segundo estes medios, de que La Liga reparta entre o público asistente 40.000 bandeiras españolas. Todo, coa fin de evitar que o partido entre o Barcelona e o Girona sexa unha plataforma para o independentismo en pleno Estados Unidos e ante os ollos de millóns de espectadores en todo o mundo. O presidente de La Liga, Javier Tebas, é un recoñecido españolista e dereitista. Ten participado en manifestacións a favor da unidade de España en Catalunya e en 2016 declarou: "Na maioría dos temas, sigo pensando igual que cando era de Fuerza Nueva". Fuerza Nueva foi un partido español de extrema dereita, franquista, españolista e integrista católico, fundado en 1976 por Blas Piñar. Porén, non hai nada fechado a respecto do partido a xogar: segundo 'El Larguero', cadea Ser, Luis Rubiales e a Federación española de fútbol queren frear que se xoguen partidos da Liga fóra do estado español
NOS_48999
A Comisión de Asuntos Exteriores do Senado español rexeitou unha iniciativa para forzar o Goberno estatal a impulsar a oficialidade do galego, catalán e euskera na Unión Europea.
A Comisión de Asuntos Exteriores do Senado español rexeitou, co voto en contra do PP e a abstención do PSOE, unha iniciativa para forzar o Goberno estatal a impulsar a oficialidade do galego, catalán e euskera na Unión Europea. Esta iniciativa foi presentada polo partido catalán Junts e contou tan só cos votos a favor de ERC, PNV e Bildu, fronte ao rexeitamento do PP, mentres que o PSOE optou por absterse, algo que foi definitivo para que finalmente non saíse adiante. En concreto, Junts pretendía que o Goberno do Estado traballase en facer oficial na Unión Europea a lingua catalá, aínda que aceptou unha emenda do PNV que estendía esta oficialidade ao galego e ao euskera. A Mesa denuncia en Frankfurt o "lado escuro" da realidade de galego, catalán e euskera no Estado español Con todo, finalmente a abstención do PSOE e o rexeitamento de PP impediron que saia adiante. Sobre isto pronunciouse o portavoz de Junts no Senat, Josep Lluís Cleries, que sostivo que "non existe ningunha base legal que non permita que un Estado declare máis dunha lingua oficial na UE. Para un Estado plurilingüe como o español, existen linguas oficiais que tamén poden ser oficiais na UE". Pedro Sánchez rompe o acordo coa Generalitat O propio Goberno de Pedro Sánchez acordara co Executivo catalán na Mesa de Diálogo "impulsar as linguas cooficiais" no Parlamento Europeo. O Parlamento Europeo "estuda as posibilidades de empregar" galego, catalán e euskera nos seus plenos A este respecto, Cleries reprochou ao PSOE que se comprometera a través da "chamada mesa de diálogo" a promover a lingua catalá e "non serviu para nada". "O PSOE, en lugar de facer antipolítica, debería facer política, e en lugar de estar loitando coa verdade, ten que cumprir os seus compromisos", asegurou.
NOS_37378
Unha das citas más veteranas do teatro galego volve a recuperar o seu formato tradicional despois dos dous anos de pandemia. A Mostra de Teatro de Cariño decorrerá entre o 12 e o 19 de agosto, xa sen restricións.
Sen dúbida, este é o verán da "volta á normalidade" (crucen os dedos) e innumerábeis citas estivais anuncian a recuperación de datas e formatos tradicionais que foran interrompidos pola pandemia e polas restricións sanitarias que a acompañaron. A Mostra de Teatro Galego de Cariño -que se desenvolverá entre os días 12 e 19 de agosto- é un deses eventos que volve á súa configuración habitual despois de dous anos de limitacións, e faino cun programa que combina circo, teatro de rúa, danza e teatro de sala, ademais de completar as funcións teatrais cun obradoiro de creación escénica a cargo de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso. Jonathan Martínez, técnico de Cultura do Concello e responsábel da Mostra, destaca que "o final das restricións permite a volta ao ambiente de festival que lle dá personalidade á Mostra, con funcións de tarde e de noite que manteñen unha atmosfera festiva durante todos os días do certame". A Mostra iniciarase con O folión do zampón, unha representación itinerante de Fantoches Baj, e con Coreografías dun demente, un espectáculo de danza da compañía de Fran Sieira, o día da apertura, no que se entregarán o Premio do Público e o premio do Público Infantil do ano 2021, que gañaron, por votación directa do público, Napoleão ou o complexo de épico, da Companhia do Chapitô e Rubicundo -baseada na novela homónima de María Canosa, finalista no premio da XXIX edición do Merlín de literatura infantil 2014-, de Teatro Ghazafellos, respectivamente. A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia deita a ollada sobre as marxes O programa Ao longo da fin de semana sucederanse propostas de teatro de rúa a cargo de Ghazafelhos, con As minas do rei Salomón; a compañía catala Planeta Trampolí, con Back 2 Classics; Troula Animación, con Circo Krasnovarak; e os franceses de Cirque Entre Nous, co espectáculo Entre nous. Ademais, La Quinkillada e A banda do verán -Premio Martín Códax na categoría de Música Infantil- ofrecerán senllos concertos no Campín. Ademais, Paulo Maestro & Constance Hurlé porán en escena, o día 18, nos exteriores do Auditorio, Volátil, un espectáculo no que se mesturan performance, música e poesía. As propostas para o teatro de sala, que se desenvolverán no Auditorio Municipal a partir da segunda feira 15 de agosto, inclúen As que limpan, da Panadaría, unha obra sobre o traballo feminino actualmente en xira por todo o Estado; Despois das Ondas, a recreación da vida de María Casares que pon en escena Butaca Zero; Smoke on the Water, unha historia xeneracional de Ibuprofeno Teatro, asinada por Santiago Cortegoso; Morte accidental dun anarquista, a versión que Talía Teatro fai do clásico de Darío Fo; e Cigarreiras, de Contraproducións, unha das grandes protagonistas dos Premios María Casares deste ano, baseado na novela A tribuna, de Emilia Pardo Bazán. Tamén no Auditorio Municipal, mais dirixidas a un público familiar, poderán verse A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro; Rosalía, a recreación da infancia de Rosalía de Castro a cargo de Culturactiva; A cazola de Lola, de Tanxarina Títeres; Cubo, de Elefante Elegante; e A nova historia da Cigarra e a Formiga, de Teatro del Andamio. "Malia que a Mostra está un pouco fóra das datas de programación normais, queremos estar actualizados a respecto do que se estrea cada ano", explica Martínez. "Este ano, ademais, recuperamos o espectáculo, algo máis antigo, Despois das ondas, para sumarnos á celebración do centenario de María Casares". Un dos festivais de teatro máis veteranos da Galiza A Mostra de Teatro de Cariño é unha das máis antigas da Galiza. A primeira edición tivo lugar en 1978, baixo o nome de Festival de Teatro Galego, organizada polos grupos de teatro locais Malveira e As Traíñas. Naquela primeira edición representáronse Ledaíñas pola morte do Meco, de Roberto Vidal Bolaño, a cargo de As Traíñas; O velorio, de Francisco Taxes, a cargo de Troula, da Coruña; e Laudamuco Señor de Ningures, de Roberto Vidal Bolaño, polo grupo Antroido de Santiago. O humor crítico retorna a Cangas
NOS_54669
O goberno local demandará que o enclave, declarado Ben de Interese Cultural, deixe de estar en mans da familia Franco, a quen o BNG proporá que se lles declare "personas non gratas".
O Concello de Sada podería dar un paso máis na ofensiva pública contra a "vergoña" do Pazo de Meirás. Após a polémica avivada semanas atrás cando se coñecía que a Fundación Francisco Franco asumía a xestión das visitas ao pazo, o goberno sadense de coligazón entre SadaMaioría, PSdeG e BNG, ofreceu que fose o propio Concello que asumise ese cometido. Este sábado terá lugar un pleno extraordinario para abordar o futuro do Pazo. A sesión, que dará comezo ás doce e media, contén un único punto na súa orde do día: "Proposta de asunción e xestión pública municipal do réxime de visitas do Pazo de Meirás e medidas complementarias". No marco dese debate está previsto que se reclame a recuperación do pazo, declarado Ben de Interese Cultural para o patrimonio público. A votación producirase poucos días despois de se cumpriren dez anos precisamente do acordo plenario que fixo posíbel esa declaración. O BNG proporá ademais que Sada declare a familia Franco como "personas non gratas". Desde o goberno local critican a inacción da Xunta de Galiza ao permitir a "vergoña" de que a Fundación Francisco Franco xestione as visitas públicas Para o alcalde, Benito Portela, este pleno é "un momento chave" que se debe aproveitar para "non perder a oportunidade de que o Pazo de Meirás sexa propiedade publica e con destino a actividades de memoria histórica". En palabras de Portela, trátase dun "asunto de interese xeral, de toda a sociedade galega". É por iso que o rexedor decidiu convidar para que asistan á sesión plenaria o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo, os presidentes das deputacións provinciais, entidades e veciñanza. O alcalde reprocha a inacción do goberno galego diante do que cualifica de situación vergoñenta. "A Xunta non pode seguir de perfil, mostrando publicamente a súa contrariedade con que a fundación xestione as visitas e, ao mesmo tempo, non adopte ningunha medida efectiva para evitalo", afirma. Personas non gratas O BNG quere ir alén dese reclamo e propón que se declare "personas non gratas" á familia Franco. Faino a través dunha emenda formulada á iniciativa impulsada polo alcalde que se presentou como un "texto fechado". "As declaracións de responsábeis da Fundación Francisco Franco pretendendo facer de Sada un parque temático do franquismo, a través do Pazo de Meirás, deben ter unha resposta contundente, máis alá de instar ás institucións a facer cumprir a lei", defende a fronte nacionalista. Na corporación municipal, as forzas que dan soporte ao goberno --SadaMaioría, PSdeG e BNG-- suman 8 votos. O Partido Popular e Partido Demócrata Sada Popular, suman os 9 restantes. Da decisión de ambos os dous grupos dependerá o desenlace do pleno. Iniciativa pola devolución O pasado 9 de agosto varias institucións pública e entidades acordaban promover unha Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás. A Deputación da Coruña, os concellos de Pontedeume, Sada e A Coruña, a Universidade da Coruña, a Iniciativa Galega da Memoria, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e o proxecto Xeración Perdida da Deputación da Coruña, fan parte desta iniciativa e acordaron apoiar que con carácter inmediato as visitas ao Pazo de Meirás sexan xestionadas directamente polo Concello de Sada. Aliás, proporán a modificación da Lei de Fundacións para ilegalizar aquelas que fagan apoloxía do franquismo, e urxirán unha Lei da Memoria histórica galega. Dez anos da solicitude do BIC O pleno extraordinario deste sábado terá lugar poucos días de se cumpriren dez anos do acordo plenario que permitiu iniciar os trámites para a declaración do Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural. A iniciativa, proposta do goberno local liderado polo daquela alcalde do BNG, Abel López Soto, discutiuse o 9 de agosto de 2007 e saíu adiante cos votos a prol do BNG, PSdeG, Agrupación Sada Unida e PP. O Partido Demócrata Sada Popular optara pola abstención.
NOS_27446
Centos de mozas e mozos toman parte na tradicional manifestación xuvenil unitaria do 24X, apoiada por máis de 20 entidades, colectivos e organizacións. "Só loitando poderemos construír a Galiza Ceive por nós arelada".
"A mocidade na ofensiva, Independencia". Con esta clara declaración de principios como palabra de orde, centos de persoas tomaron parte neste 24 de xullo en Santiago de Compostela na manifestación xuvenil unitaria que leva realizándose desde hai cinco anos. Nesta edición foron 21 as entidades convocantes, desde centros sociais até organizacións políticas, pasando por colectivos deportivos e culturais. Houbo novas adhesións a respecto de anteriores convocatorias mais tamén ausencias. "Só loitando activamente contra as opresións é que poderemos construír esa Galiza Ceibe por nós arelada", explicaban desde as convocantes. A manifestación saíu da Alameda de Compostela pasadas as oito da tarde para percorrer rúas e prazas da capital galega coa reclamación da independencia de Galiza como principal palabra de orde. "Independencia", "Galiza Ceive, Poder Popular", "A loita é o único camiño". ou "España é a nosa ruína". foron algunhas das consignas coreadas ao longo da mobilización, na que non faltou o acompañamento dos anti-disturbios. "A soberanía é a chave para a verdadeira creba democrática", incidían entre as manifestantes nunha mobilización na que a defensa da independencia como ferramenta para un futuro digno para a mocidade galega fusionaba co rexeitamento do capitalismo e o patriarcado. "Repetiremos as veces que fixer falla que queremos vivir libres nunha Galiza libre; queremos un futuro digno nunha Galiza antipatriarcal que rache co sistema de produción capitalista". "Saímos máis un ano á rúa para deixarmos claro que non nos resignamos nin renunciamos á autoorganización do noso pobo para avantar no exercicio da autodeterminación cara a República Galega", indicaban na convocatoria dunha marcha que rematou na Praza do Pan (Cervantes), onde se procedeu á lectura do manifesto e ao canto do Himno Galego, todo iso baixo o constante zunir dun helicóptero da Policía española.
NOS_2669
A Fiscalía de París anunciou tamén a apertura dunha investigación por suposta "violencia" cometida por unha "persoa depositaria da autoridade pública", segundo Franceinfo.
O desaloxo policial dun campamento de migrantes no centro de París xerou "feitos inaceptábeis", en palabras do ministro do Interior galo, Gérald Darmanin, que respondeu ás críticas derivadas da violencia solicitando a intervención da Inspección Xeral da Policía Nacional (IGPN, en francés, a unidade de asuntos internos) . Un grupo de varios centos de migrantes acampara na Praza da República, segundo organizacións de axuda, co fin de denunciar o desamparo en que se atopan tras ser desaloxados a semana pasada doutro campamento erixido xunto ao Estadio de Francia, ao norte de París. A negativa dos acampados a abandonar a praza, así como a intervención de activistas que exixían respecto aos seus dereitos, derivou nun choque coas forzas de seguridade que deixou imaxes "impactantes", segundo o ministro. Ademais de abusos contra refuxiados, tamén houbo ataques contra xornalistas. Darmanin explicou en Twitter que a Prefectura da Policía, tras analizar o ocorrido, propuxo a intervención da IGPN, tendo en conta "varios feitos inaceptábeis". O ministro espera coñecer as conclusións da investigación interna no prazo de 48 horas e prometeu facelas públicas. A Fiscalía de París anunciou tamén a apertura dunha investigación por suposta "violencia" cometida por unha "persoa depositaria da autoridade pública", segundo Franceinfo. A alcaldesa da capital, Anne Hidalgo, remitiu unha carta ao ministro do Interior para expresarlle a súa "firme condena" polas "intervencións policiais especialmente brutais e impactantes contra refuxiados". Así mesmo, lamentou que neste "episodio inadmisíbel" non se tivese en conta dar albergue posteriormente ás persoas vulnerábeis. 'Lei Mordaza' A polémica precede á votación que terá lugar na Asemblea Nacional sobre a Lei de Seguridade Global, un controvertido proxecto impulsado polo Goberno de Emmanuel Macron, similar á norma española coñecida popularmente como "Lei Mordaza". Se a esquerda política condenou o desaloxo, a ultradereita, defendeuno. A líder de Agrupación Nacional, Marine Le Pen, preguntouse "de que serve unha lei para protexer os axentes de policía se son desautorizados colectivamente ante o menor incidente ou a menor provocación da extrema esquerda".
NOS_52190
A tese de doutoramento do enxeñeiro de Montes, Stéfano Arellano Pérez, desenvolvida na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, proporciona novas ferramentas para loitar contra os incendios forestais a través da análise da zona superior das árbores e do efecto de certos tratamentos silvícolas na erosión do solo. Esta investigación achega importantes datos tamén para a propia xestión forestal e opta a unha mención internacional.
Que descubriu en relación á prevención de risco de incendios forestais? Na presente tese doutoral desenvolvéronse modelos para estimar variábeis do combustíbel forestal como vexetación baixo arborado e das copas destas árbores que son de gran importancia de cara a predicir o comportamento dos incendios. Obtivéronse a partir de dúas técnicas de teledetección: tecnoloxía LiDAR incorporada nun escáner láser aéreo transportado e imaxes do satélite Sentinel 2-A. Algúns destes modelos permitirán xerar unha cartografía dos tipos de incendios esperados como no caso da superficie, copas pasivo ou copas activo, todo a escala paisaxe. Por outro lado, avalíanse os efectos das claras a medio prazo sobre os combustíbeis forestais, o comportamento do incendio, os seus danos sobre o arborado e sobre a protección do solo contra a erosión post-incendio. O tratamento de clara diminuíu o risco dos incendios de copas activo, sen embargo os seus danos sobre o arborado foron lixeiramente superiores nas parcelas de clara que nas parcelas sen tratar. Polo tanto para mellorar a eficacia da clara como tratamento de prevención de incendios é moi necesario realizala acompañada de tratamentos sobre o combustíbel de superficie tales como rozas, trituración ou queimas prescritas. Que son as 'claras'? As claras son un dos tratamentos silvícolas de xestión preventiva do combustíbel máis habituais nos piñeirais. Consiste na extracción das arbores de peor calidade para aumentar o crecemento en diámetro das arbores que se deixaron en pe e polo tanto da produción de madeira. A clara modifica os combustíbeis das copas arboradas, os combustíbeis de superficie, o comportamento do incendio e a severidade ou dano do mesmo, entre outros. Poden tamén axudar a previr o inicio e propagación dos incendios de copa e tal vez a reducir o nivel de dano destes. No ámbito ecoloxista é recorrente falar dos eucaliptos. Cal é a razón de que a tese se centre nos piñeiros? As razóns de que este estudo se centre en piñeiros e non en eucaliptais é que ocupan unha maior superficie forestal. Tiven en conta o segundo Inventario Forestal estatal de 2009-2010 que indica que hai unha maior superficie queimada deles e unha maior propensión a sufrir incendios de copa segundo o libro Foto guía de combustíbeis forestais da Galiza que publicamos en 2017 o Departamento de Protección do Centro de Investigación Forestal-Lourizán xunto coa Escola Politécnica Superior de Lugo (USC). Mais sería de moito interese poder realizar un estudo similar en eucaliptais. Que conclusións saca sobre os métodos e as políticas forestais de prevención de incendios? Débese facer máis fincapé na prevención de incendios e para isto resulta crítico o estabelecemento das áreas estratéxicas de xestión, onde se prioricen as actuacións sobre o combustíbel forestal, xa que o orzamento é limitado. Contar con algunhas das ferramentas xeradas na tese, por exemplo a cartografía dos tipos potencias de incendio, e outras interesantes investigacións que se están levando a cabo pode resultar de utilidade para este fin. Por outro lado, aínda que non foi obxecto de estudo da tese, o incremento das árbores de ribeira é positivo xa que pode reducir o potencial do lume, pero non debe ser a única actuación a levar a cabo xa que son moi frecuentes os saltos do lume. Polo tanto débese complementar estas franxas de frondosas con diversas actuacións en áreas estratéxicas de xestión.
PRAZA_12646
A sociedade mellora as súas perspectivas sobre a capacidade de aforro, a evolución da economía ou o desemprego, logo de acadar o maior grao de pesimismo a finais de 2011
No medio dunha crise constante, cos índices de desemprego aumentando a cada mes e coa produción industrial caendo paseniño, Galicia semella non saír do pesimismo. No entanto, unha ollada aos últimos datos da Enquisa conxuntural dos fogares do Instituto Galego de Estatística (IGE) demóstranos que os galegos son agora máis optimistas que hai tres meses...Ou que teñen tocado fondo e pensan que o único posible agora é mellorar. Por estraño que poida parecer, o Índice de Confianza do Consumidor (ICC), así como todos os seus compoñentes, mellorou durante estes tres primeiros meses do ano 2012, logo de alcanzar nos últimos días de 2011 os seus indicadores máis baixos. Todo malia que a percepción xeral é que a sociedade, tanto no país como no Estado, é cada vez máis consciente da gravidade da situación económica. A confianza do consumidor e a perspectiva sobre a capacidade de aforro mellorou no último trimestre Segundo os datos do IGE, a confianza do consumidor galego aumentou nuns sete puntos (de -36 a -29) en marzo de 2012 con respecto a decembro de 2011 e logo de acadar o seu punto máis baixo nese último trimestre do pasado ano, cando a devandita confianza descendera de golpe en case 23 puntos. "A peor non podemos ir", semella ser a reflexión dos galegos se temos en conta a enquisa, da que se tira tamén o aumento da confianza na capacidade futura de aforro, na perspectiva sobre a evolución da situación económica en Galicia, así como na do emprego. Así, e en canto á capacidade futura de aforro, os galegos melloraron as súas expectativas nuns seis puntos (de -34 a -28), ao igual que no que se refire á perspectiva dos cidadáns sobre o futuro económico do país. Segundo este último dato, os galegos son máis optimistas agora que hai tres meses (dez puntos por riba, de -43 a -33), aínda que é ben certo que o descenso na confianza sobre a evolución económica descendera en 36 puntos no último trimestre de 2011 con respecto ao anterior. As perspectivas sobre o desemprego mantéñense case igual que a finais de 2011 Ademais, os galegos tamén semellan ter tocado fondo no que as súas perspectivas sobre o desemprego se refire. Con preto de 300.000 parados no país, a enquisa do IGE revela que as expectativas da sociedade en canto á recuperación de postos de traballo segue igual que hai tres meses (mellorou tan só nun punto, de -42 a -41), logo de que a confianza baixase dez puntos no último ano. A cuestión radica agora en saber cal será a resposta dos galegos no vindeiro trimestre, logo de coñecer os duros recortes aprobados polo Goberno e tras comprobar, se se cumpren as expectativas do Executivo, que o desemprego, a capacidade de aforro e a situación económica xeral vai a peor.
NOS_40389
O ministerio fiscal acusa ao ex rexedor, e tamén ao que fora concelleiro de Urbanismo, dun delito contra as arcas públicas do Consistorio por non cobrar un imposto municipal a 15 proxectos de aproveitamento urbanístico.
Manuel Cabezas, o que fora alcalde de Ourense polo PPdeG entre 1995 e 2007 podería ir a prisión por un presunto delito contra as arcas públicas do Concello. Cando menos é a pena que está a pedir para o ex político a Fiscalía. En concreto, demándase que cumpra unha pena de sete anos no cárcere e abone unha multa de 1,5 millóns de euros para compensar "un prexuízo ás arcas públicas municipais de 1,65 millóns de euros". Segundo o ministerio fiscal, ese posíbel delito viría dado porque Cabezas non exixiu o 10% do aproveitamento urbanístico a 15 proxectos da súa etapa como rexedor. A acusación lembra que cobrar esa porcentaxe é obrigatorio por lei. No mesmo caso xudicial reclámanse outros sete anos na cadea para o que ocupaba a concellaría de Urbanismo de 1999 até 2004, Ricardo Campo Labrados. Neste caso a sanción debería ser de 1,2 millóns de euros. O escrito da Fiscalía ao que tivo acceso Europa Press explica que en decembro de 1994, o pleno municipal da cidade deu o visto e prace a unha proposta que implicaba "a non esixencia do 10 por cento do aproveitamento urbanístico municipal nos polígonos de chan urbano non consolidado". Tanto respecto ao ex alcalde como ao ex edil, dise que "aproveitaron os cargos públicos que ostentaban, guiados, ambos os acusados, por un ánimo de enriquecemento inxusto, co fin de converter o patrimonio municipal en beneficios privados". Malia que xa se solicitou a apertura dun xuízo oral, este trámite podería adiarse polo menos até mediados de 2021.
PRAZA_8622
A dirección dos socialistas galegos amósase disposta a ir á batalla contra a cúpula federal e mantén a convocatoria do Comité Nacional para o día 26 coa intención de chegar "ata o final" na celebración da consulta para renovar a secretaría xeral
Partiu. Catro días antes de que o PSdeG xunte o seu Comité Nacional para concretar o sistema de primarias consultivas que designará o seu novo secretario ou secretaria xeral a dirección federal do PSOE decidiu dinamitar as pontes construídas hai un mes cara á súa federación galega. A dirección que encabeza Alfredo Pérez Rubalcaba escenificou na Executiva Federal celebrada este luns en Madrid a ruptura do pacto acadado o pasado marzo para que a militancia galega pasase polas urnas e, ao tempo que elixía delegados e delegadas para o seu Congreso de xullo, expresase a súa preferencia sobre a persoa que debe liderar a formación. Pero os socialistas galegos aseguran que desta volta si van á batalla. Foi o propio secretario xeral do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, o encargado de comunicar que non hai tal acordo. Pero ante o cambio de escenario fontes do PSdeG consultadas por Praza Pública aseguran que o roteiro presentado por Pachi Vázquez non muda en absoluto. O vindeiro venres o actual secretario xeral presentará "unha proposta concreta" sobre regulamento para a consulta. Farao "sen acordo con Ferraz", polo que será "o Comité Nacional quen tome a decisión", toda vez que a "marcha atrás" é "de Ferraz, non de Galicia". O equipo de Rubalcaba quería unha única papeleta dentro dun sistema que, para o PSdeG, "desvirtuaba" a consulta A discrepancia entre as direccións nacional e federal está, segundo as mesmas fontes, nunha cuestión de forma. Dende o PSdeG apostábase por que a militancia galega depositase dúas papeletas nas urnas, unha co nome do seu candidato ou candidata á secretaría xeral e outra na que designar delegados e delegadas para o Congreso. Pero o equipo de Rubalcaba quería unha única papeleta, cunha lista de delegados encabezada pola persoa aspirante ao liderado. A xuízo da cúpula do partido en Galicia o sistema proposto por Ferraz era tanto como "desvirtuar a consulta". "Pachi tentouno ata o final" e por iso agora "vai ir ata o final", ilustran as fontes consultadas, que non ocultan a contrariedade que provoca na dirección galega que Rubalcaba e os seus se "desmarquen" por unha "cuestión formal". Isto quere dicir, polo tanto, que o PSdeG podería optar pola insubmisión e ir ás primarias sen permiso de Madrid? No entorno de Pachi Vázquez esta é a hipótese que se considera como máis plausible: a consultva "vaise manter nos mesmos termos en que a propuxo Pachi" porque así foi aprobado "por amplísima maioría" do Comité Nacional galego.
NOS_18617
Entrevistamos Xosé Ramón Ermida Meilán, autor do ensaio Mortos por amor á Terra -A represión sobre o nacionalismo galego (1936-1950)- que será presentado o 25 de xullo -ás 5 da tarde- na Carpa das ideas do Festigal, que se festexa en Santiago de Compostela. Os subscritores de Sermos Galiza recibirán esta obra como agasallo. Para o público en xeral chegará ás librerías no mes de agosto.
Mortos por amor á Terra é unha obra froito de dezaseis anos do traballo, cos seus altos e baixos, de Xosé Ramón Ermida Meilán, quen fai nesta obra unha retrospectiva da represión que sofriu o nacionalismo galego após do golpe de estado franquista de 1936. Ermida pretende, con este ensaio, conseguir que os actos de represión cara o nacionalismo galego teñan un trato específico dentro da memoria histórica e se poida ver así a evolución e as fases de reconstrución polas que pasou entre 1936 e 1950. Que ten de específica a represión sobre o nacionalismo que a diferencie da represión sobre o resto dos "roxos"? As razóns que explican este traballo están vinculadas a ausencia dunha historiografía específica sobre a represión do nacionalismo. Do mesmo xeito que hai unha abondoso estudo sobre o movemento nacionalista, non contabamos con publicacións ou traballos que de xeito específico tocaran o tema da represión, como si ocorre con outras ideoloxías que si contan con traballos de carácter particular. A represión que sofre o nacionalismo en Galiza responde á mesma lóxica que afecta o resto das formacións democráticas, aínda que si temos que falar dalgunha cuestión específica que se lle aplica ao nacionalismo como a figura do desterro que se aplica cunhas características particulares aos militantes nacionalistas. Isto en Euskadi está moi estudado, pero en Galiza non se tiña reparado sobre o tema. O franquismo empregou tremendos métodos represivos para evitar sublevacións. Encerro en campos de concentración, desterros e no peor caso fusilamentos e asasinatos. É o desterro o máis empregado contra os nacionalistas? Os desterros aplícanselle a xente de diferentes ideoloxías. Mais si hai unha especifidade neste caso contra os nacionalistas. Con todo, a lóxica que se aplica na represión contra o nacionalismo é a mesma que se aplica contra o resto de militantes das demais forzas democráticas. Esta represión é especialmente forte nos primeiros anos de posguerra. Mortos por amor á Terra abrangue o período de 1936 a 1950. A partir deste último ano como cambia a situación? A periodicidade do traballo responde a dúas cousas. A primeira é que o último militante nacionalista preso -Evaristo Mosquera- sae da cadea no 1950, mais tamén tomamos a referencia do 1950 na medida en que nesa data se produce a liquidación do Partido Galeguista no interior. O nacionalismo comézase a reorganizar de xeito político na loita contra o franquismo, primeiro no ano 43 arredor dun grupo que fai parte da Xunta Suprema da Unión Nacional e logo é o Partido Galeguista o que empeza a reorganizarse na clandestinidade no ano 44. Entón no ano 50 xúntanse os dous feitos, sae o último militante nacionalista da cadea, pero tamén se sitúa o ano 50 como unha data chave na liquidación do proxecto político do Partido Galeguista e a aposta do nacionalismo pola vía culturalista coa fundación da Editorial Galaxia, renunciando á loita política. Analizando a estrutura interna do libro. Cada capítulo correspóndese co nome propio dunha persoa, por que? O traballo podemos dicir que consta de tres partes: a primeira parte representa a contextualización do que foi a actividade do nacionalismo desde o 36 ao 50, no que se parte de debullar a realidade do nacionalismo do momento, pero focalizando en aspectos que non se puxeron históricamente en valor, como a presenza do nacionalismo no movemento obreiro, ou a participación da militancia nacionalista na loita guerrilleira, moito máis importante da que coñeciamos. A segunda parte é a reconstrucción da biografía de 78 militantes nacionalistas asasinados entre o ano 36 e o ano 48. Unha reprodución dos casos que non queda só na lembranza destas persoas, senón que elas tamén posibilitan reconstruir a realidade do nacionalismo galego nese período. Os propios biografiados proporciónannos un mapa do que foi o nacionalismo na época, en cada unha das localidades nas que militaban. O libro está presidido na súa capa pola obra de Castelao, A derradeira lección do mestre, a cal ten un gran valor simbólico para o nacionalismo… A loita pola memoria tamén é a loita polo nacionalismo. Non deixa de ser casual que quen dera o pistoletazo de saída á recuperación da memoria histórica do nacionalismo fora o propio Daniel Castelao. No ano 42, por iniciativa del, é cando se institucionaliza o Día de Galiza Mártir, que naquel momento se chamaba o Día dos Mártires Galegos. Este cadro de Castelao vai na mesma dirección. É unha peza axeitada dende a perspectiva da recuperación da memoria e pola significación que ten, mais tamén ten unha parte de reivindicación, porque é unha peza que segue fóra do país e que debería estar en Galiza a disposición de toda a xente do país. Que conclusións se extraen desta obra? A primeira conclusión do traballo é que a represión que sufriu o nacionalismo foi moito máis forte do que se nos contou. En función da introdución que o nacionalismo tiña nas diversas zonas, pero tamén da resistencia que houbo fronte ao levantamento fascista. Hai que destacar a participación protagónica que xoga o nacionalismo na resistencia ao golpe fascista. Outra cuestión importante é o papel de oposición ao franquismo que desenvolve o nacionalismo nos anos 40. Por unha banda a loita puramente política do Partido Galeguista e dos militantes nacionalistas da Xunta Suprema de Unión Nacional e, pola outra, a loita guerrilleira. Existe un número importante de militantes nacionalistas que morren coas armas na man.
PRAZA_11296
A oficina demoscópica estatal afástase da tendencia do resto de inquéritos e augura que os de Pedro Sánchez poderían gañar entre 10 e 17 escanos; tamén outorga posibilidades de crecemento ao PP, pero dun máximo de 15 actas. En Galicia sitúa a PSdeG e En Común como únicas forzas en condicións de poderen medrar en escanos, mantén estancado o PP e deixa fóra o BNG
O macrobarómetro do Centro de Investigación Sociolóxicas (CIS) previo ás eleccións xerais do vindeiro 10 de novembro desmárcase do resto de casas demoscópicas. O groso dos inquéritos publicados nas últimas semanas sitúan o PSOE como primeira forza, pero estancado en niveis semellante e mesmo un chisco inferiores aos 123 escanos que logrou nos comicios de abril, mentres que auguran un forte crecemento dun PP asentado nos 100 escanos, moi por riba dos 66 de abril. No caso galego, ademais, esas sondaxes prognostican que os socialistas perderían a histórica condición de primeira forza que lograran o 28A e algunha abre a porta ao retorno do BNG ao Congreso cun escano pola Coruña.O CIS afástase da tendencia do resto de casas demoscópicas e augura que os de Pedro Sánchez poderían gañar entre 10 e 17 escanos; tamén outorga posibilidades de crecemento ao PP, pero dun máximo de 15 actasPero a oficina estatística estatal afástase desa tendencia. Segundo o macrobarómetro feito público este 29 de outubro -con 17.650 entrevistas realizadas por todo o Estado do 21 de setembro ao 13 de outubro, antes da sentenza do procés e da exhumación de Franco-, os de Pedro Sánchez lograrían unha cómoda vitoria, medrando entre 10 e 17 escanos con relación ao 28 de abril grazas a un crecemento duns 4 puntos en votos válidos (32,2% do total do voto válido, segundo o inquérito). O PP sería segundo e tamén medraría en votos e escanos a respecto de abril, segundo o CIS, pero moito menos que o prognosticado polo promedio de enquisas. Este inquérito deixa a formación de Pablo Casado con entre 74 e 81 escanos, isto é, entre unha ducia e unha quincena máis de actas no Congreso que o 28A e un incremento de algo menos de dous puntos porcentuais en votos. A sondaxe sitúa a Unidas Podemos en condicións de volveren ser terceira forza do Congreso grazas a un lixeiro crecemento e ao devalo de CiudadanosAdemais, segundo o CIS, podería haber remuda na terceira posición no Congreso, posto ao que estarían en condicións de regresar Unidas Podemos e as súas confluencias (Galicia en Común e En Común-Podem) con ata 37 e 45 escanos -o 28A sumaron 42- pasando por riba dun Ciudadanos en retroceso, atendendo á enquisa: os 57 escanos dos de Rivera en abril quedarían en non máis de 35, na parte alta do prognóstico do CIS. O estudo tamén discrepa doutras enquisas no que atinxe á presenza do partido de extrema dereita Vox no vindeiro Congreso; non só non augura un incremento da súa representación, senón que prevé que poida perder entre 3 e 10 escanos.Os pactos seguirían sendo imprescindibles para a investidura, pero o mapa simplificaríase Se o novo Congreso respondese ao prognosticado polo CIS, os pactos seguirían sendo imprescindibles para a formación de Goberno, pero o mapa da investidura simplificaríase. Así, ao PSOE podería chegar a abondarlle só cos votos de Unidas Podemos ou cos de UP e os 3 ou 4 de Más País, xa que os tres partidos oscilarían entre os 173 e os 199 escanos. Os socialistas tamén terían aberta a porta a unha eventual investidura da man de Ciudadanos, que nin no escenario máis optimista podería contribuír a unha investidura do bloque da dereita, xa que os de Rivera sumados a PP e Vox estarían entre os 117 e os 139 escanos, lonxe en calquera caso dos 176 da maioría absoluta, segundo o CIS. O PSdeG seguiría en cabeza e o PP non remontaríaNo que atinxe a Galicia, o CIS tampouco coincide coa tendencia xeral das casas demoscópicas. A partir de 1.286 entrevistas -unha mostra máis elevada que as habituais nas enquisas electorais ao Congreso para todo o Estado- a sondaxe conclúe que o PSdeG non só non ten en risco a súa condición de primeira forza en número de escanos no Congreso polas circunscricións galegas -posición que nunca acadara ata o 28A-, senón que mesmo podería ampliala nun.A sondaxe sitúa a PSdeG e En Común como únicas forzas en condicións de poderen medrar en escanos, mantén estancado o PP e deixa fóra o BNG Mentres, prevé que o PP non remonte e continúe con 9 escanos. Para En Común-Unidas Podemos o CIS asigna os seus dous escanos actuais ou mesmo un máis e o prexudicado a respecto de abril sería Ciudadanos, que perdería un. O CIS non coincide con enquisas como as de Sondaxe nos últimos días e deixa o BNG fóra dos 23 escanos galegos, aínda que ao contrario que en abril, o macrobarómetro si menciona especificamente ao Bloque e non se limita a incluílo no apartado de "outros partidos".O CIS realiza este reparto de escanos en Galicia atendendo a un prognóstico no que as eventuais variacións chegarían só nunha das catro circunscricións, a da Coruña. O macrobarómetro prevé que Ciudadanos perda o escano que logrou pola provincia coruñesa en abril e estima que podería ir para ou ao PSOE, que sumaría o cuarto por esta circunscrición, ou a En Común-Unidas Podemos, que nese caso pasaría de 1 a 2.Mentres, nas tres restantes circunscricións galegas o CIS non prevé que nada se mova. En Pontevedra o PSdeG seguiría en cabeza con 3 escanos seguido do PP con 2 e de En Común-Unidas Podemos e Ciudadanos con cadansúa acta. Igualmente, o CIS tampouco prevé que nada se mova nin en Lugo nin en Ourense con relación a abril e en ambas provincias serían dous escanos para o PP e outros dous, para o PSdeG.
NOS_33464
As empresas aseguran que esta medida procura axustar a produción á demanda de vehículos. Os sindicatos valoran de maneira desigual a medida e agardan que se manteñan as condicións actuais aplicados por causas de forza maior.
A extensión dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) poderían estenderse até finais de ano no ámbito galego da automoción. É a intención das empresas deste sector segundo explican os sindicatos. Neste caso a medida sería ordinaria, non por forza maior como están a ser agora, e aplicaríanse a partir do remate do estado de alarma actual. Segundo explica Comisións Obreiras (CCOO) as empresas optarían por esta medida para axustar a produción das fábricas á demanda de automóbiles, que se espera rexistre un descenso importante debido á crise sanitaria que ten lugar a nivel mundial. Os ERTE, para CCOO, facilitan "adaptar as súas necesidades produtivas sen acometer despedimentos" e propoñen que as condicións acordadas para a tramitación dos actuais se estendan aos ordinarios. Primeiras empresas en negociar estes novos ERTE Desde a Confederación Intersindical Galega (CIG) explican que o anuncio de que as plantas de PSA Citröen, incluída a factoría de Vigo, permanecerán fechadas até que non se reactive o mercado de vendas motivaron tamén a adopción destas medidas. Na planta viguesa de PSA Citröen o Sindicato Independente de Traballadores (SIT) e a Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores (UXT) negociaron a aplicación dun ERTE até final de ano unha vez que se renove a produción e se levante o estado de alarma. Outras empresa xa deron pasos neste sentido. Plastic Omnium espera constituír esta segunda feira 27 de abril unha mesa para negociar un expediente ordinario que busca aplicar de modo rotativo ao seu persoal até finais de 2020. Po outro lado, as plantas galegas de Denso, Grupo Copo, Borgwarner, Magna International e Benteler, radicadas na área de Vigo, iniciaron este mesmo procedemento, que se espera que comecen, nos vindeiros días, o resto de fábricas do sector. Ante esta perspectiva, unha portavoz da CIG advertiu de que este sindicato "non asinará" expedientes de empresas cuxa tramitación signifique que a calidade das condicións laborais dos traballadores se vexa afectada.
NOS_15351
O Consello da Xunta autoriza declarar como "proxecto de interese autonómico" o complexo da empresa pública Sogama en Cerceda, "dado o seu carácter supramunicipal". Con esta cualificación, Sogama poderá ampliar as súas plantas e actividade industrial.
Aos terreos que ocupa Sogama aplícanlles as normas subsidiarias de planeamento do Concello de Cerceda, que implican unha serie de limitacións en canto a superficie edificábel, volumes e alturas máximas, condicionando as actuacións que se leven a cabo no complexo para ampliar as instalacións. Mais agora esta situación decaerá co acordo da Xunta deste 15 de xullo de declarar o complexo "proxecto de interese autonómico". O ámbito de actuación proposto ten unha superficie de algo máis de 800.000 metros cadrados e está conformado por 18 parcelas, incluída a correspondente ás actuais edificacións. Nese sentido, o Goberno acordou autorizar a licitación do servizo de xestión das plantas de coxeración e de termoeléctrica do complexo de Sogama por un importe de máis de 256 millóns de euros. O obxectivo, segundo dixo na comparecencia posterior á reunión do Executivo o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, é "seguir garantindo a valorización enerxética da parte non reciclábel contida no lixo en masa e recollida a través do contedor verde convencional". Nese labor intervén a planta de coxeración coa produción da calor necesaria para o secado desta fracción non reciclábel do lixo. O combustíbel xerado derivados dos residuos alimenta as caldeiras da planta termoeléctrica de Sogama. A decisión do Goberno galego chega unha semana após a comparecencia do presidente de Sogama, Javier Domínguez, no Parlamento, onde admitiu que o complexo vai "regular" a respecto da reciclaxe, pois recíclase o 15% dos residuos, cando o obxectivo era alcanzar 30% en 2020. No debate, a oposición criticou que, co colapso do modelo Sogama e da planta de Cerceda, estanse a realizar desvíos de residuos e envorcado directo dos mesmos no vertedoiro de Areosa. Toque de recoller e mantemento do lecer Noutra orde, Rueda informou da aprobación polo Goberno do Plan de catedrais que, con 38 millóns de euros, permitirá a mellora da conservación destes edificios. Tamén anunciou que nos vindeiros meses activarán catro liñas de axudas por valor de 12 millóns para mellorar as infraestruturas turísticas e apoiar os sectores económicos do turismo e da hostalaría. Nese sentido asegurou que "non está encima da mesa" implantar un toque de recoller na Galiza para frear o aumento de contaxios do coronavirus, nin sequera á 1 da mañá, como pediron algúns profesionais. Pola contra, avogou por medidas restritivas que permitan compatibilizar a saúde co funcionamento da hostalaría. Así se pronunciou ao ser preguntado polos medios antes de reunirse con representantes do sector do lecer nocturno e da hostalaría. Preguntado pola obrigatoriedade de presentar unha PCR negativa, Rueda explicou que, por unha banda, sectores da hostalaría piden que se implante esta proba ou o certificado de vacinación para acudir aos locais para así "garantir que poderán seguir traballando". Porén, recoñeceu que hai unha "preocupación lóxica" polo impacto que esta medida poida ter.
NOS_24203
O BNG non recibiu "ningunha resposta oficial" á súa proposta de debate televisado entre as forzas políticas que concorren ás eleccións xerais. Explicouno esta segunda feira a portavoz da organización Ana Pontón: "Feixoo era o rei dos debates na oposición. Agora non debe agocharse e ten que dar a cara".
A idea, exposta a pasada quinta feira polo coordinador electoral nacionalista Rubén Cela, consiste en chamar a confrontar programas aos líderes das forzas políticas con representación no Parlamento de Galiza. Mais esta mañá, Ponton amosouse disposta a "criteiros de representación máis amplos". É dicir, con partidos sen presenza no Hórreo. "As forzas de ámbito estatal non teñen propostas para este país", lamentou, con todo, a portavoz do Bloque, "veñen aquí os líderes e non teñen nada para Galiza". Estendeu esta recriminación aos membros destes partidos en Galiza. "O medo é libre", afirmou Ana Pontón en referencia ao silencio popular sobre o debate. "O único interese que ten o PP galego é que o seu candidato Pablo Casado estea na Moncloa. Para iso usan o voto como mercadoría electoral", sinalou.
NOS_37985
O claustro da Facultade de Xeografía e Historia da USC en Santiago de Compostela acollera, do 30 de maio ao 24 de xuño, a exposición 'Mulleres libres (1936-39) precursoras dun mundo novo'.
A CNT Galiza inaugurará o vindeiro 30 de maio a exposición 'Mulleres libres (1936-39) precursoras dun mundo novo"'(claustro da Facultade de Historia da USC en Santiago, ás 19 horas). A mostra, que poderá visitarse até o 24 de xuño, viaxará despois até o municipio de Allariz. A participación libertaria na guerrilla A comisión desta exposición é Sonia Lojo, historiadora na Fundación Anselmo Lorenzo e no arquivo histórico da CNT. "Mulleres que reivindicaron consignas tan actuais como a liberdade sexual, a conciliación laboral, a sororidade e o mesmo salario para homes e mulleres", explica o sindicato nun comunicado. A intención desta actividade, que leva catro anos viaxando por varias cidades do Estado español, é "tratar de recuperar a obra e o labor dun grupo de mulleres que nace nos meses previos da Guerra Civil cunha tripla finalidade, emancipar da tripla escravitude á que se atopa sometida a muller como produtora, como muller e como obxecto". Paneis e audiovisuais A mostra, que se pode visitar en Compostela, está formada por 16 paneis, ademais de materiais sonoros e audiovisuais, con información sobre a xestación e desenvolvemento da organización Mulleres Libres, as súas reivindicacións e ámbitos de actuación, as súas formulacións sobre igualdade, educación, traballo, sexualidade e a participación activa que desenvolveu para gañar a guerra contra o fascismo. O aparello represivo en Bueu "Transcorridas oito décadas desde a creación desta organización feminina, a Fundación Anselmo Lorenzo trata de dar a estas mulleres o recoñecemento que merecen, para que a súa loita sirva de experiencia e aprendizaxe ao movemento feminista actual", sentenzan.
NOS_4152
O Festigal, A Cada Canto, Ataque Escampe ou Nao son algunhas das propostas gañadoras dos Premios Martín Códax da Música que, na súa segunda edición, foron desvelados na festa de entrega que se desenvolveu esta cuarta feira no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Chegaban a súa segunda edición e conseguiron, outra volta, acaparar a atención do mundo da música. Os Premios Martín Códax da Música, promovidos pola Asociación de Músicos ao Vivo foron entregados nunha cerimonia cunha clara reivindicación da presenza das mulleres que chegou da man das Fillas Bravas de Chévere e as pandereteiras da Maía "Maianas" ademais do dúo punk feminino Bala, a batería de jazz Lucía Martínez e a pianista de clásica Brenda Pián. Protagonistas foron as propostas gañadoras en cada unha das distintas modalidades que recolleron as estatuínas creadas polo músico e escultor Víctor Lorenzo. O Festigal, organizado por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre cada 24 e 25 de xullo en Compostela desde 2002 fíxose co Premio Organistrum Festivais na súa primeira edición, novidade que compartía co recoñecemento ás salas que recaeu en Aturuxo ou o de Espazos de Comunicación Musical que foi dar en Planeta Furancho da Radio Galega, conducido por Vituco Neira. "O Festigal, organizado por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre cada 24 e 25 de xullo en Compostela desde 2002 fíxose co Premio Organistrum Festivais na súa primeira edición" Nas modalidades musicais, Davide Salvado confirma o seu extraordinario ano co premio á mellor música tradicional galega mentres Cuarteto Caramuxo triunfou no apartado de folque. A proposta de Guadi Galego, Xabier Díaz Guillerme Fernández e Xosé Luís Romero, A Cada Canto, que neste ano musicaron poemas de Rosalía foi a escollida como canción de autor e Sumrá, de Martínez Antelo ou Legido entre os seus compoñentes, como mellor banda de jazz. En música infantil, impúxose Pablo Díaz e a banda Tic Tac Toc, con dous díscos publicados de grande suceso. N.H.U, de honra Ataque Escampe en pop e indie, Cró en rock, Cats and Monkeys en blues, funk e soul, Nao en metal, Sub Rosa para electrónica, Zaramandi en reggae, ska e mestizaxe e Wöyza en hip-hop e músicas urbanas recolleron tamén galardóns nesta segunda edición dos premios. A votación de socios e socias de Músicos ao Vivo optaron pola Orquestra Vigo 430 como mellor proposta de música clásica e contemporánea, por Los Satélites como mellor orquestra e Dos fíos invisibles chegan as cores, de Mónica de Nut no apartado de músicas do mundo. O Premio Honorífico Músicos ao Vivo, o único que se coñecía xa antes do acto de entrega, recoñeceu á banda de rock progresivo de Santiago N.H.U. A organización valorou "a valentía, a ousadía e a fe dun grupo galego que trazou novas formas de facer musica nunha Galiza recén saída da ditadura franquista". Premios Pop e indie: Ataque Escampe Rock: Cró Blues, funk & soul: Cats and Monkeys Jazz e músicas improvisadas: Sumrrá Hip-Hop e músicas urbanas: Wöyza Música clásica e contemporánea: Orquestra Vigo 430 Folque: Cuarteto Caramuxo Música tradicional galega: Davide Salvado Músicas do mundo: Dos fíos invisibles chegan as cores Canción de Autor: A Cada Canto Música infantil: Pablo Díaz e a Banda Tic Tac Toc Electrónica: Sub Rosa Metal: Nao Reggae, Ska & Mestizaxe: Zamaramandi Orquestras, grupos e música de verbena: Los Satélites Premio Organistrum Salas: Aturuxo Premio Organistrum Festivais: Festigal Premio Organistrum Espazos de Comunicación Musical: Planeta Furancho
NOS_40743
O líder do PPdeG obvia a lei súmase ás críticas lanzadas polo seu partido á reforma educativa presentada polo Ministerio.
O presidente da Xunta da Galiza e líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, acusou o Executivo que preside Pedro Sánchez de "tentar eliminar por lei" o castelán como lingua vehicular na educación e pretender "amordazar a prensa" a través dunha norma para que "sexa o Goberno quen decida o que é verdade e mentira". Fíxoo a través de dúas mensaxes publicadas en español e con dous minutos de diferenza no seu perfil na rede social Twitter na tarde deste domingo. En plena pandemia, cuando se supone que debería estar gestionando la segunda ola, el Gobierno ha pasado la responsabilidad a las CCAA y se ha dedicado a intentar eliminar por ley el castellano como lengua vehicular, a intentar reformar la ley para elegir directamente a los jueces— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) November 8, 2020 "En plena pandemia, cando se supón que debería estar a xestionar a segunda onda, o Goberno pasou a responsabilidade ás CCAA e dedicouse a tentar eliminar por lei o castelán como lingua vehicular, a tentar reformar a lei para elixir directamente os xuíces", sinala o primeiro 'tuit' publicado polo presidente autonómico. Dous minutos despois, Núñez Feijóo completaba a súa mensaxe desta forma: "E a impulsar unha norma para amordazar a prensa e que sexa o Goberno quen decida o que é verdade e mentira. Mentres, nega unha e outra vez unha lei para poder xestionar a pandemia". O líder do PPdeG súmase ás críticas lanzadas polo seu partido á reforma educativa presentada polo Ministerio que encabeza Isabel Celáa, polo plan do Goberno para o control das chamadas 'fake news' e pola proposta para cambiar o sistema de elección dos membros do Consejo General del Poder Judicial.
PRAZA_3736
Aos três ginetes do apocalipse que afligem a humanidade: o do imparável açoute da mudança climática, o das migraçons desesperadas para fugir da morte e a miséria e o da insone economia especulativa codificada em anónimos algoritmos, vem-se somar agora um quarto, o mais antigo, um exíguo protocolo de ARN codificado no alfabeto da vida.
Entramos no portal da OMS dedicada à pandemia global, consultamos o mapa da epidemia da COVID-19 (assi, em feminino, com o D de Doença coincidente com o D de Desease do acrónimo original). Entramos no mapa-múndi da pandemia mundial. Consultamos o dia de hoje, 26-03-2020: 416.686 casos confirmados em 197 países, 18.589 falecidos no mundo. Em Espanha, quarto país em incidência, 39.673 infectados, 2.696 falecidos. Sincronia da virose e a informaçom no contador diário.A aparência de governança mundial da doença transmitida pola OMS teria satisfeito o ideal de paz perpétua universal formulada por Kant em 1795. Cosmopolitismo humanitário frente a fronteiras bloqueadas e eriçadas de arame farpado.Dezembro de 2019, polo que sabemos, a pandemia emergiu na cidade chinesa de Wuhan num afastado mercado de animais exóticos para satisfazer a selecta voracidade dos filhos do celeste império. A partir talvez de um exótico animal que a nossa teologia cultural teria rejeitado por impuro. Em 31 de Janeiro de 2020 o frenético vírus chegara já a Itália e em 1 de Fevereiro movia-se por Espanha.O vírus é umha breve cadeia de ARN de 150 nanómetros de longitude — 150 milionésimas de milímetro — transmutado por incessante replicaçom em temível exército invasor da espécie humana em escassas semanas de fulgurante blitzkrieg. A exígua cadeia genética que nos ameaça surge como o inesperado efeito mariposa em sistemas dinámicos instáveis predito por Edward Norton Lorenz.Pouco sabemos do seu potencial efeito destrutivo, especialmente quando chegar a países carentes de recursos e defesas. A sua capacidade invasiva ultrapassa as nossas frágeis defesas imunitárias e morais desatando temores ancestrais a pestilências apocalípticas adormecidos no subconsciente colectivo. A nossa memória reverbera em inquietantes cenários distópicos. Os filmes da desgraça fatal acodem à memória onde guardamos os arquétipos da desventura colectiva: The road, Melancholia.O exíguo agente da pavorosa pandemia global tem a sua imagem: umha constelaçom de minúsculos astros eriçados de tentáculos submetida ao incessante escrutínio de potentes microscópios instalados em selectos laboratórios trabalhando em rede. E tem também o seu simbolismo: a máscara preventiva de boca e olhos para atalhar o inimigo invisível que flutua no ar em espera do momento propício.Máscara e peste, arquétipo intemporal do pavor social. A memória icónica leva-nos agora ao inquietante gravado de 1656 de Paul Fürst. É o doutor da peste, vestido de longa túnica encerada da cabeça aos pés, os olhos protegidos por grossos óculos de vidro, amplo sombreiro enfiado na boca bem tapada, vara na mao direita com relógio da areia alado na ponta para lembrar a fragilidade do viver. Um ominoso peteiro de ave de mal-agoiro no nariz, cheio de ervas aromáticas para conjurar os temíveis miasmas invisíveis. O extravagante uniforme foi-se difundido desde a França a partir da Peste Negra do século XIV para uso dos servidores públicos encarregados de diagnosticar infectados e certificar defunçons. O verso satírico que acompanha a figura alude ao funcionário fúnebre como sinistro coleccionista de cadáveres, semelhante a corvo em esterqueira. Memorável ícone do pavor social ministrado pola autoridade oculta, competente e vigilante.A magnitude do impacto social e económico em curso aconselhou o Governo activar o estado de alarme previsto no artigo 116 da Constituiçom, junto com os estados de excepçom e sítio. Suspensom de garantias. Excepcionalidade; palavras maiores que remetem à Teologia Política de Carl Schmitt, 1922: gente confinada no próprio domicílio por via coercitiva, estado de emergência; mobilizaçóm total formulada por Ernst Jünger em 1930. Cenário: os vinte e trinta do século XX em que se incubava a mais brutal carniçaria, acompanhada de música de cabaret para abafar o horror vivido no decénio anterior. Em 1929, a antena filosófica de Ortega detectava o tempo da rebeliom das massas. A mobilizaçom total chegaria seis anos depois a Espanha, dez a toda Europa.Saltando da biologia à biopolítica, as bolsas de valores colapsam empobrecendo por igual a opulentos especuladores e a sólidos fundos de modestos pensionistas, as autoridades económicas abandonam atropeladamente os compromissos de défice e aprontam verbas extraordinárias, os organismos internacionais meditam planos de emergência, decreta-se em fim o confinamento domiciliário e a sociedade reage com episódios de desabastecimento e desconcerto como prelúdio à resignada vida em retiro. Pensamos em O grande silêncio dos filhos de Sam Bruno. Algum insensato pretende escorrentar o medo viajando só ou em família às praias de Múrcia e Valência ou aos cumes pirenaicos da Cerdanha. Fogem do medo, mas o medo os acompanha. Deveriam atender aquele velho e sábio apólogo que nos avisa de que de nada vale tentar burlar a morte fugindo a Samarra porque é em Samarra onde ela está esperando.De Madrid al cielo, salta o sarcasmo desde Edimburgo. A cada um o seu céu: De Barcelona a Perpignan. O vírus que infecta a república dos sonhos já tem nome: COVID-155. Inútil onomástica a do vírus; cego às fronteiras avança a breve cadeia de ARN que só obedece à própria lei escrita em código implacável. Aduanas e fronteiras decaem. A gente saúda amistosa ao vizinho desconhecido enquanto avança a maré de fraternidade de reclusos em prisom domiciliária. Enfrentada ao infortúnio, a humanidade é convidada a um abraço universal: Seid umschlungen, Millionen! ¡Abraçai-vos, milhons num beijo universal! Cantava Schiller por boca de Beethoven. Celebremos a lenta emergência da consciência planetária ante a desventura comumAos três ginetes do apocalipse que afligem a humanidade: o do imparável açoute da mudança climática, o das migraçons desesperadas para fugir da morte e a miséria e o da insone economia especulativa codificada em anónimos algoritmos, vem-se somar agora um quarto, o mais antigo, um exíguo protocolo de ARN codificado no alfabeto da vida.Recupero nos dicionários a voz renascentista esquecida: solitude. Invoco a virtude da ataraxia, a impassibilidade serena praticada polos estóicos naquele tempo indeciso quando os deuses já morreram, o Cristo nom nascera ainda e o homem estava radicalmente só evocado por Flaubert e venerado por Marguerite Yourcenar.
NOS_8482
Os populares refusaron varias propostas de fiscalización enunciadas por PSdeG e BNG, entre outras ás referidas ás contratacións públicas da empresa Eulen desde 2009.
O PPdeG rexeitou unha batería de propostas realizadas pola oposición de fiscalización a cargo do Consello de Contas, entre as que se atopaban as contratacións públicas adxudicadas á empresa Eulen desde 2009, así como a elaboración dun informe sobre os contratos e convenios de publicidade, protocolo e comunicación desde 2015. A Xunta adxudicou á empresa da irmá de Núñez Feixoo contratos por 37 millóns de euros En comisión parlamentaria, os populares denegaron as 56 recomendacións realizadas polo PSdeG acerca da Memoria de Contas de 2020 e só aceptaron unha das 37 propostas do BNG, na que se apela a dar continuidade á fiscalización da asistencia sanitaria con medio alleos. Opacidade Tamén saíron adiante as dúas peticións realizadas polo PPdeG, nas que se insta a analizar o impacto financeiro dos novos medicamentos de terapia avanzada CAR-T e avaliar a capacidade de autoabastecemiento, á vez que se empraza á avaliación do contrato de xestión da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega) no relativo á valoración dos contratos programas das axencias públicas e o cumprimento dos seus obxectivos. CIG denuncia Eulen ante a Fiscalía por vulneración do dereito sindical Durante o debate, a deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) recriminou que o Partido Popular vete "algo tan lóxico" como saber "canto gasta" a Xunta "no seu conxunto en publicidade", xa que di que Contas observa que nos gastos de inmobilizado inmaterial "escóndense grandes partidas de gasto en publicidade", polo que lle preocupa "esta "opacidade". "Conivencia" Noa Presas (BNG) sinalou a necesidade de que se auditen as contratacións públicas coa empresa Eulen tras informacións que apuntan a unha "conivencia" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "coa súa propia familia" ao ser súa irmá, Micaela Núñez Feixoo, a directora da zona noroeste do Grupo Eulen. "Cantas máis liñas de transparencia nese ámbito sería mellor", afirma. A deputada nacionalista tamén se queixou do "desfasamento cronolóxico" entre o debate e a memoria, á vez que recrimina que os populares non atendan ás necesidades de auditoría que se propoñen en campos como a prevención da corrupción e cal é o retorno de incentivos fiscais, que "son absolutamente regresivos". Eulen, a empresa da irmá de Feijóo, consegue máis contratos en cultura Nesta liña, pide que avalíe o "enchufismo" no sector das contratacións do transporte público, así como o convenio con Abanca para a instalación de caixeiros no rural, que estivo "viciado de inicio" e a súa concorrencia competitiva "foi máis ben un chiste". O deputado popular José Manuel Rey Varela defendeu que o seu grupo non dea luz verde a ningunha proposta do PSdeG debido a que "moitas son repetidas" e remarcou a ceptación dunha proposta do Bloque. Explicacións urxentes Ante a negativa do PP para que o Consello de Contas realice o informe de fiscalización solicitado a Eulen, o Bloque anunciou que presentará unha batería urxente de iniciativas na Cámara galega para esixir explicacións en sede parlamentaria ante un posíbel trato de favor por parte do Goberno do PP a este grupo empresarial.
NOS_41885
Rabia ao silencio é o título do novo disco de María Xosé Silvar, Sés. Esgazado dunha célebre cántiga do compositor e folclorista arxentino Atahualpa Yupanqui, o verso sintentiza a homenaxe á canción de autora revolucionaria que Silvar realiza no seu sexto traballo de estudio.
"Téñolle rabia ao silencio / polo moito que perdín, / que nunca quede calado / quen queira vivir feliz", di a canción, das máis célebres do repertorio de Yupanqui e, segundo explica a propia Sés no libreto do cedé, "condenatoria da pasividade social" e "fermosísimo himno á liberdade de expresión". É apenas unha das doce pezas de Rabia ao silencio, todas elas ligadas á potente e radical tradición da música de intervención do século XX. O grileiro, de Raphael de Carvalho, abre a obra. Editada no elepé O Povo Canta (1961) do Centro Popular de Cultura da União Nacional de Estudantes do Rio de Janeiro, o protagonista da canción é un sicario dos grandes terratentes ao que as clases subalternas van resistir. "E uma ordem geral vai partir / que é botar o grileiro pra correr". Máis alá desta e de A chamuscada, anónima da Revolución Mexicana, Rabia ao silencio inclúe apropiacións en galego de xigantes como o portugués José Afonso -Enquanto há força-, a arxentina Mercedes Sosa -Zamba dos humildes-, o cubano Carlos Puebla -Son da alfabetización-, o nicaragüense Luis Mejía Godoy -Eu son dun pobo sinxelo-, o uruguaio Quintín Cabrera sobre un poema de Mario Benedetti -Serei curiosa-, ou a venezolana Soledad Bravo -Un de abaixo. A cota galega cóbrena dous cortes de Fuxan Os Ventos: Brazos para a seitura e Muller. Unha versión de Strange Fruit, a estarrecedora canción escrita polo comunista estadounidense Abel Meeropol -cuxo seudónimo era Lewis Allan-, convertida en emblema antirracista por Billie Holiday, pecha Rabia ao silencio. Gravado na Coruña durante o inverno, arranxado maiormente en acústico, con frauta e acordión, unha ilustración de Lidia Cao ocupa a cuberta. O deseño gráfico realizouno de Bruno L. Teixeiro. No estudio con novos temas propios Sés levará o disco por teatros de pequeno aforo. Entrementres, xa entrou no estudio a preparar cancións, as primeiras inéditas desde Opoñerse á extinción (2016) e a inicial de Readmirando a condición (2017). Editaraas en 2020.
NOS_55026
A Fundación Laxeiro vén de inaugurar unha mostra individual de Ignacio Pérez-Jofre, 'No chan', que retoma o concepto de 'deriva' do filósofo situacionista Guy Debord para mostrar outra forma de ver a cidade de Vigo. Un traballo realizado mediante a adhesión da sucidade do chan urbano amósase, a un tempo, poético e revelador.
É doado, nestes días, acordarse do modelo de cidade inaugurado polo barón Haussmann en París durante o reinado de Napoleón III, un trazado reticular que tiña un obxectivo confeso -facer idílica a vida urbana (para a burguesía)- e outro menos confesábel: obstaculizar revolucións como as que tiveran lugar en 1830 e 1848, demolendo as rúas medievais e substituíndoas por arterias anchas e rectilíneas, adecuadas para o movemento das tropas. Aquela malla regular transformaba o marco urbano e, en certa maneira, constituíase en signo do dominio político do individualismo e da propiedade privada. No chan, a exposición de Ignacio Pérez-Jofre que vén de inaugurarse na Fundacion Laxeiro de Vigo, rexistra -e a impersonalidade do verbo non é casual- tramas dos diferentes deseños de beirarrúas da cidade de Vigo, uns tecidos que, dalgún modo, reproducen a pequena escala ese ideal urbanístico da orde burguesa. O proxecto ten a súa orixe nos procesos de percorrido urbano que o artista iniciou na súa chegada á cidade -a finais da década de 1990-, interesándose polo concepto de deriva -unha camiñada sen obxecto específico que pretende reflexionar sobre as formas de ver e experimentar a vida urbana- creado por Guy Debord e os situacionistas franceses: unha consciente oposición á idea tradicional de cartografía que pretende desregular as categorías coas que adoitamos percibir o territorio para comprender os efectos do ambiente nas emocións e no comportamento das persoas. A exposición recolle obras sobre papel realizadas coa técnica de frottage, que transfire ao soporte as terras do lugar, que actúan como o pigmento que rexistra as tramas das beirarrúas O poético e o social A exposición recolle obras sobre papel realizadas coa técnica de frottage, que transfire ao soporte as terras do lugar, que actúan como o pigmento que rexistra as tramas das beirarrúas. E talvez o máis interesante sexa precisamente observar como os elementos orgánicos recollidos, malia reflectir ese ordenado trazado de base, logran desbordalo, estendéndose por toda a superficie e superando os seus límites, logrando un efecto poético que non está exento de matices moi significativos que evocan como se constitúen as sociedades urbanas, sobre como nun mesmo lugar se superpón diferentes estruturas organizativas en constante interacción, a un tempo simbiótico e conflitivo. O proceso de realización das obras, mediante o pisado e frotado directo das superficies coas solas dos zapatos, retoma a técnica do frottage -un procedemento ideado por Max Ernst e logo moi empregado polos surrealistas-, consistente na impresión dunha imaxe mediante o contacto de dúas superficies. A intervención directa do artista -que se implica na obra pisando o soporte para, a través del, entrar en contacto co motivo que se quere reproducir-, suxire un achegamento a unha forma de intervención próxima á acción pictórica, a un compromiso que vai máis alá da mera réplica para deixar constancia dese mergullarse na paisaxe urbana que supón a deriva debordiana. O resultado final presenta unhas obras que basculan entre o rexistro da realidade e o mergullamento do artista nela, entre a obsesión por afirmar a presenza das cousas e a dúbida sobre como a percepción moldea a imaxe que temos do mundo que nos arrodea. O artista Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965) é Profesor Titular no Departamento de Pintura da Universidade de Vigo, onde se doutorou en 1994, despois de licenciarse en Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid en 1989. Desde o inicio da súa carreira, a súa obra reflicte varias liñas de traballo que son unha constante en toda a súa traxectoria: a preocupación pola xeración de imaxes mediante procedementos non manuais, cun especial interese na pegada e na imaxe indexada; un interese permanente pola cor e as súas posibilidades combinatorias no contexto da contemporaneidade; unha especial atención ao cotián, mediante a que procura unha refutación da veracidade do que, convencionalmente, se entende como realidade; a atención ao feito urbano e á sociedade de consumo, como escenario de interrelacións da sociedade actual, interese do que xorde a súa metodoloxía dos percorridos urbanos; e unha preocupación polas condicións concretas nas que se producen os procesos de creación artística. Todas estas cuestións levárono a desenvolver unha obra que tenta achegarse á figuración desde diversas técnicas e metodoloxías, nunha investigación constante sobre a vixencia do feito pictórico na arte contemporánea. É, ademais, autor de diversas publicacións nas que aborda aspectos concretos da creación artística ou reflexiona sobre a obra de artistas concretos. A paisaxe de Vigo, no centro Os traballos presentes nesta mostra -comisariada por Javier Buján e que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 2 de maio- foron presentados con grande éxito na feira Estampa de Madrid. Agora, regresan para poder ser vistos na cidade onde se concibiron.
PRAZA_14869
CIG, CCOO e UGT rexistran a convocatoria do paro xeral do 14-N lembrando que o PP "vai gobernar co 25% dos votos" e convencidos de que a resposta social á reforma laboral e ás políticas "da miseria" vai ser "masiva". Audios no interior.
A folga xeral do 14 de novembro tivo en Galicia unha pedra no camiño case un mes antes da súa celebración formal. A revalidada e ampliada maioría absoluta do PP nas eleccións do 21 de outubro inxectou entre boa parte das forzas de esquerda e, por extensión, en amplos sectores das centrais sindicais unha sensación de desánimo que, a priori, non é a mellor conselleira para levar a bo porto unha mobilización deste calado. Pero, mentres na que foi oposición parlamentaria ata o de agora o shock post electoral se mestura coa apertura de senllos procesos de "reflexión", os principais sindicatos do país apóianse, desta volta si, na súa unidade para esconxurarse contra ese desánimo e apelar á "inmensa maioría do país" esa mesma que "non lle votou ao PP", din. Os líderes da CIG, de CCOO e UGT lanzaban esta apelación tras rexistrar, este mércores no Rexistro Xeral da Xunta, a convocatoria oficial da folga. Tras realizar o trámite o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, amosábase convencido de que a poboación sairá á rúa o 14-N de maneira "masiva", especialmente os "moitos milleiros de cidadáns e ciadadás que non lle votaron ao PP", tamén "os que votaron en branco ou se abstiveron". Todos eles, din deben "comprender que a situación" en Galicia "é aínda peor" tras as eleccións. "Nós -recoñece- entendíamos que era unha desgraza que o PP seguise gobernando" e "un sector da poboación deciciuse por esa desgraza" pero outro sector, "moi amplo", apostou por "outras alternativas" e iso, di, pode ficar reflectido no paro do día 14. Os sindicatos fan un especial chamamento aos "milleiros de cidadáns e cidadáns que non lle votaron ao PP" o 21-O Nun sentido semellante maniféstase o máximo responsable de Comisións en Galicia. Xosé Manuel Sánchez Aguión percibe "un cabreo xeralizado na xente" que se mantén e mesmo se amplía con independencia de que Feijóo pasase a reválida das urnas. Nesta liña Aguión coida que o 21-O deixou clara a "necesaria reforma da lei elctoral", porque "co 25% dos votos un partido goberna con maioría absoluta e mesmo a amplía" malia perder sufraxios. Os conservadores "teñen toda a lexitimidade para gobernar" conforme ás actuais "regras de xogo" pero tamén, di, cómpre ter en conta que "nas cidades, onde se concentra a clase traballadora e o máis activo do movemento obreiro, o PP perde e gana a oposición, a nova oposición, a forza emerxente AGE". Entre eses sectores da poboación, salienta, "gana a esquerda" e, polo tanto, "as posicións que vén defendendo o movemento sindical". Do mesmo xeito o secretario xeral de UGT Galicia, José Antonio Gómez, non cre que o feito de que o PP recunque vaia desinchar a folga xeral. "O PP perdeu votos" e "o 73%" do electorado "non o apoiou", resalta". Así, "independentemente" de que teña "lexitimidade" para estar á fronte do Executivo galego, Gómez coida que dende o Executivo de Feijóo deberan facer "unha reflexión sobre as políticas de axuste e austeridade". Esa mesma reflexión, anticipa, é a que vai sacar á rúa "á inmensa maioría". Contra a reforma laboral e os recortes "Esta non é só unha folga sindical, é unha folga social" Con estas condicións de partida os tres sindicatos maioritarios agardan que o paro sexa un fiel reflexo do rexeitamento que acumula na súa contra a reforma laboral do Goberno central e, en xeral, as políticas de recorte, "ineficaces e inútiles" que, di Aguión, "nos está levando á miseria" e á creación de "máis paro" mentres quen ten traballo sofre "máis precariedade" e quen accede a el, padece o "empeoramento das súas condicións laborais". Nesta liña o líder de UGT outórgalle especial importancia a que a convocatoria de folga xeral se produza na xornada de "acción e solidariedade" que se vai producir en boa parte da Unión Europea nese mesmo 14-N. "Estase demostrando que as políticas de axuste o único que conducen é a máis paro, máis recesión, maior desigualdade, pobreza e marxinalidade", di Gómez, quen apela ao conxunto da cidadanía a asumir que esta "non é só unha folga sindical, é uha folga social". Tamén Suso Seixo ve "moi positivo" que haxa xa convocatorias de folga xeral noutros países para ese mesmo día, especialmente "nos que están a sufrir as consecuencias máis duras da especulación coa débeda pública". "O panorama que está por diante é altamente preocupante", di o secretario xeral da CIG, polo que "é fundamental mandarlles unha mensaxe clara tanto ao Goberno español como ao galego", pero tamén lograr que "a UE tome nota de que así, non" e de que a "especulación non é o camiño".
NOS_58070
En Se calhar não é o tempo o que importa, a poeta Eli Ríos (Londres, 1976) afonda na investigación formal que iniciara en Culpable (Xerais, 2017). O poema estala e incorpora todo tipo de materiais, os ritmos desfigúranse, hai onirismo e ataques frontais ás escravitudes da vida cotiá. É, ademais, un dos últimos títulos de Urutau, recente e activa editora galego brasileira cuxa sección na Galiza dirixe Wladimir Vaz.
O proxecto naceu en São Paulo nun período de crise xeral do país. "E nos períodos de crise é ás veces cando poden xurdir cousas novas", relata Vaz a Sermos Galiza. Un poeta, un editor e un deseñador -o propio Vaz- foron os impulsores iniciais. Mais o traslado deste último a Ourense en 2015 mudouno todo. Descubriu a literatura galega e Urutau, cuxo nome refire un paxaro nocturno e tropical, converteuse en trinacional: Brasil, Galiza, Portugal. "Na poesía galega chamoume a atención o mesmo que me chama a atención na portuguesa ou na brasileira", resume, "aquilo que eu non teño, o que sinto que é diferente de min. Ao cabo, é como un movemento de antropofaxia cultural". O eco da célebre vangarda brasileira, que chamaba a engulipar tendencias diversas e influencias externas para elaborar discurso propio, serve a Vaz como ferramenta de asimilación do novo. "É un modo de ollar o mar, un modo de ollar a terra", esténdese ao respecto, "por exemplo, a figura da avoa está moi presente na poesía galega". Que, ademais, o abraia coas "moi diferentes estéticas" activas na actualidade. Sen saír da Urutau, o clasicismo rilkeano de Marcus Daniel Cabada (Pontevedra, 1995) en Metafísica da ausencia (2019) e o aire confesional de Silvia Penas (Vigo, 1980) en Fronteira Paraíso (2019) comparten catálogo. "Existen múltiples voces nun territorio tan pequeno..., resulta incríbel", engade, antes de anunciar entre as vindeiras publicacións un libro de sonetos elexíacos do coruñés Óscar García e o terceiro volume da contundente triloxía política da portuguesa Judite Canha Fernandes. Os dous primeiros tituláronse a fúria da loiça da china (2018) e o mais difícil do capitalismo é encontrar o sítio onde pôr as bombas (2017). Urutau leva colocado nas librarías case 200 libros. Entre os galegos, obra de Arancha Nogueira, Rebeca Baceiredo, Moncho Iglesias, Patricia Meira, Gaspar Domínguez, Noa Moreira. Con Vaz traballa agora desde o Brasil un dos fundadores, Tiago Fabris. Os volumes publicados na Galiza chegan a Portugal e comezan a facelo á outra beira do Atlántico. "Aínda estamos pensando como distribuír poesía galega no Brasil, onde teño a sensación de que a poesía galega non é moi coñecida. Queremos preparar unha colectánea antolóxica do que publicamos en Urutau entre 2018 e 2019", avanza, "e expoñer como de vasta é a literatura galega, da lírica medieval ao debate feminista contemporáneo". Nota: fotografía do editor de Urutau, Wladimir Vaz.
NOS_37786
Cuntis é vila balnearia e, fóra das instalacións privadas, o concello conta con termas públicas que neste momento vén minguadas os dereitos veciñais. A Asociación O Fervedoiro reclama o acceso aberto ás augas quentes.
Balnerio, spa e varios hoteis constiúen un conxunto termal coñecido máis alá das nosas fronteiras. O Concello de Cuntis é coñecido pola calidade das súas augas, polas propiedades curativas duns mananciais controlados pola empresa propietaria do complexo. Mais Cuntis, de tradición e historia, ten mananciais públicos que aínda as persoas de máis idade do lugar lembran empregar de maneira libre para distintos usos, desde o lavadoiro até o coidado da pel. A empresa privada limitou o acceso a auga quentes como a burga do Castro, que toda a veciñanza viña a utilizar dende tempo inmemorial, e agora a Asociación O Fervedoiro bota a andar unha campaña co fin de devolverlle á cidadanía un dereito que vén de lonxe. Algúns lembran como nos anos corenta este citado manancial que está en territorio privado tiña acceso aberto para o seu uso. "A lei de augas do 85 considera que todas as augas fluviais son públicas, mesmo as soterradas. Recenmente pecharon as burgas e nas que está no centro do pobo a empresa ten dereitos de explotación"explica Héitor Picallo, inxeñeiro e membro da Asociación O Fervedoiro que reclama por medio de distintas iniciativas o acceso público a devandita burga do Castro. Dúas son as fontes que en espazo público viñan empregando a veciñanza, unha verte cara á veciñanza e incluso cara aos lavadoiros municipais (sita na Praza de Galiza) e outra está enfronte do Hotel da Virxe, no centro da vila. "Son dereitos e propiedades adquiridas dende hai tempo que se van esfarelando cara aos veciños. Ninguen debera ser propietario dun recurso natural", comentan dende O Fervedoiro.. A empresa que xestiona o balneario dispón dun caudal diario de 2.500.000 litros de auga quente e ten máis de vinte mananciais declarados na Consellaría de Industrias. As burgas que manan en zonas públicas botan ao día 81.000 litros de auga quente, e dicir, só o 3,3% do caudal que se produce mana en zonas públicas. Recollida de sinaturas No Fervedoiro queren deixar claro que non queren causar prexuizos a unha empresa asentada en Cuntis senón facer prevalecer os dereitos da veciñanza. O día 28 de xuño fixeron unha medición da burga Lume de Deus (localizada na Praza de Galiza) e contabilizaron 0,076 litros segundo, un 15,4 por cento do caudal que tiña que botar a burga. Segundo o cómputo previsto, falta un 84,6% de caudal de auga, unha diminución á da que queren ter unha explicación. Como primeira iniciativa, botaron a andar unha recollida de sinaturas en Change e só na primeira xornada sorprendéronse do apoio recadado. Co resultado da campaña teñen previsto dirixirse ao parlamento galego, español e europeo, co obxectivo de que as augas termais volvan ser da veciñanza e con acceso aberto. "Cuntis existe porque existen as burgas. Estamos gravando un documental no que os vellos comentan a súa memoria do uso das augas termais. Son patrimonio colectivo e queremos que volva selo. Trátase só do 3,3 % da auga que o balneario rexistra. É o noso dereito e ímolo reclamar" demandan desde O Fervedoiro.
NOS_58238
A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega quere que en Catalunya "triunfen a palabra e o diálogo, alimento da lietartura, e remate o antes posíbel a xudialización da súa vida política". Así o expresa nun comunicado emitido un día despois da Diada de Sant Jordi.
"O Sant Jordi deste ano non gozou do ambiente festeivo que semre caracterizou esta celebración", di a AELG, "e queremos expresar a nosa preocupación pola situación en que se atopa neste momento a lingua catalá e a súa literatura". Coas intitucións de autogoberno suspendidas de facto, e boa parte dos líderes das organizacións independentistas ben na prisión, ben no exilio, a situación dista da normalidade. "Irmandámonos con todas aquelas linguas e literaturas que aínda non dispoñen de todos os estándares de normalidade", engade, "de vello vén a celebración de encontros galeuscanos, e desexamos non se vexan interferida por decisións políticas que prexudican a súa existencia, como prexudicou unha data tan senlleira como o Sant Jordi". A Asociación de Escritoras e Escritores suma a súa voz á de autoras e autores internacionais como o francés Daniel Pennac ou o italiano Erri De Luca, que veñe de subscribir manifestos en defensa dos presos políticos cataláns. O comunicado, titulado En defensa da cultura e lingua catalás. En defensa dos dereitos cívicos, alerta de que a represión do Estado en Catalunya "está a interferir na creación en lingua catalá e condicionando a liberdade de expresión, "alicerce indispensábel para construír unha sociedade democrática e un dos bens máis valiosos cos que pode contar un pobo". "A literatura é o reino da liberdade de ideas e de sentimentos, que deben ser libremente expostos e libremente circulantes, en ben de cada sociedade particular e da humanidade en xeral", conclúe a AELG.
NOS_32814
No último lustro acelerouse a marcha de especialistas da sanidade pública. A falta de estabilidade e a presión derivada do aumento da sobrecarga asistencial mantén os servizos de Medicina Interna dos hospitais galegos en mínimos.
O plante do persoal médico internista e dos seus xefes de servizo ante o Sergas saca á luz, máis unha vez, as condicións laborais e de traballo das profesionais da sanidade pública. Despois de cinco anos na mesma cadeira asinando cada tres meses, marchei A precariedade dos contratos mais a inestabilidade complica unha sobrecarga asistencial previa á pandemia da Covid e pon en risco a continuidade das especialistas en Medicina Interna dos distintos hospitais da Galiza. Denuncian cadros deficitarios, que no último lustro viron como se aceleraba a saída de facultativos fartos de penuria laboral. "Despois de cinco anos na mesma cadeira asinando cada tres meses, marchei. Son defensor e usuario da sanidade pública, pero laboralmente son médico e as condicións e o proxecto que me ofreceron na privada son mellores e máis estábeis". Persoal sanitario carga contra o desleixo e a precariedade da sanidade pública Coma este internista da área da Coruña que acabou por deixar o Sergas, "hai mil". Confírmano desde os servizos médicos que estes días están a reivindicar contratos máis estábeis en duración e mobilidade. "Non ten sentido traballar en varios hospitais, fan falla máis profesionais: cubrir o 100% das vacantes en todos os servizos, realizar unha planificación realista do número de facultativos necesarios en cada centro, incentivar a ocupación das prazas de difícil cobertura, comprometerse coa realización dunha OPE anual ou bianual e incrementar o número de prazas MIR". Medicina Interna ten en Santiago unhas 170 camas asignadas pero estamos atendendo entre 250 e 300 Con estas propostas, o colectivo rexeita os contratos de longa duración en hospitais de cabeceira que vén de ofrecerlles a Xunta, que inclúen un desprazamento temporal a centros comarcais, unha solución que non só afecta á especialidade de Medicina Interna, tamén ás de Traumatoloxía e Radiodiagnóstico, debido ás carencais que atravesan. Sobrecarga asistencial Con case 20 anos de experiencia no servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, María Pazo, asegura que a situación "é moi mala". "Temos moita sobrecarga, debido a que a poboación envellece cada vez máis, é máis pluripatolóxica e presenta maiores comorbilidades". Desde 2019 advirten un incremento paulatino de ingresos que se disparou coa chegada da pandemia. Medicina Interna ten en Santiago unhas 170 camas asignadas en tres centros, "pero estamos atendendo entre 250 e 300". O aumento da hospitalización é o que máis está a complicar o labor asistencial dos internistas, encargados de pasar consultas "en contacto directo con Atención Primaria, cos propios doentes e con outras especialidades". "Volvemos ser de usar e tirar": Os contratos eventuais do Sergas por emerxencia sanitaria chegan á súa fin O aumento da hospitalización está a obrigar a suspender ou adiar o resto de actividade "e aínda así a carga de traballo é bestial, sen poder dar unha atención de calidade, como quixeramos", di Pazo. Medicina Interna está esgotada, é unha loucura A esta situación hai que sumarlle o importante déficit de persoal que se foi agudizando co paso dos anos. "Non se están ofrecendo contratos nin condicións dignas á xente nova, que ante a falta de estabilidade vaise". Atopa mellores opcións fóra, noutros territorios ou no privada. "No prazo de dous anos perdemos seis especialistas. Da xente que se formou aquí non queda ninguén. Eu son das máis novas e levo 20 anos no servizo!". Eventualidade e fuxida María Pazo describe as condicións de traballo que afastan da pública os especialistas máis novos. "Cada día acoden a un hospital, hoxe en planta e mañá en consulta; sen planificación nin estabilidade. Até o día antes non saben se lles van renovar e, ás veces, cando chegan para asinar un novo contrato descobren que as condicións xa son outras". "A unha compañeira ofrecéronlle un contrato de verán de tres meses que resultou ser mes a mes. Asinou xullo, despois agosto e cando chegou setembro dixéronlle xa non había máis". Máis de dous meses e medio de espera por unha cirurxía E apunta aínda o caso doutra especialista que xa ten máis dun lustro. "Despois de renunciar á baixa maternal, como lle pediran, para asinar por seis meses, racharon o contrato diante das súas narices só tres días despois de rubricalo e botárona á rúa. "Como se van querer quedar?". Ambas as súas acabaron na privada. Gardas unipersoais, paliativos e HADO "Medicina Interna está esgotada, é unha loucura", afirma o internista Hadrián Pernas. Chegou ao Hospital do Salnés procedente de Santiago, onde viviu unha presión e un estrés altísimos derivado da demanda asistencial mais do trato laboral. "Dos MIR que acabaron en 2021 e que accederon só a contratos de verán, un foi para a privada, indefinido, sen gardas e cun salario igual, e outro quedou até outubro, mais en setembro descubriu que xa non podía conectarse ao sistema". Foi como descubriu que xa "non o precisaban". Con todo, a contratación segue a ser de curta duración, di. No Salnés apunta carencia de persoal e unha presión asistencial elevada. "As gardas de 24 horas son para un único internista ao cargo de 50 doentes mais as urxencias. Ademais, ante a falta de persoal especialistas estamos a cubrir Coidados Paliativos e a algunhas necesidades de Hospitalización a Domicilio (HADO)".
NOS_9862
Habitar Internet, o corpo e o mundo segue a ser un acto de valentía para as mulleres. Para tratar de palialo, a Lei Orgánica 10/2022, de 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, que entrou en vigor o pasado 7 de outubro, permitirá ampliar o campo de acción contra os delitos na esfera dixital. É preciso realizar unha revisión constante e concienzuda das ameazas de ser unha muller nas redes para entender todas as dimensións da violencia machista en Internet. Facemos un repaso do que suporá a aplicación desta lei na Galiza e dos seus precedentes nos últimos anos.
"Eu tamén navegar", escribiu a ferrolá Xohana Torres no seu célebre poema "Penélope". Amais dese nome propio de muller cativa, coa que xa non nos queremos identificar, que tece e destece sen sentido polo seu home, agardando, esa primeira persoa do singular poderíase mudar por un plural, un nós, para falar das redes feministas que se andan tecendo en Internet desde a Galiza e desde moitas outras partes do mundo. Suxeitos activos, suxeitos impacientes e suxeitos que devecen por conxugar futuros. Comezamos citando poesía porque a poesía, tantas veces chamada para mal un "xénero de mulleres", abriu paso para falar do que preocupa, do que doe e do que hai que mudar. As demandas das mulleres son claras: liberdade real, liberdade sexual, liberdade na rede, nos espazos públicos e privados. Internet é xa unha extensión máis da vida e precisa de conciencia feminista. "Se unha muller non pode enviar unha foto íntima sen medo a que a parella a vaia publicar, a quen hai que dirixir o foco é a eles", argumenta por chamada telefónica Paz Filgueira, quen foi xuíza por nove anos no Xulgado de violencia contra a muller en Vigo. Conta que en 2015 foron reformados varios artigos porque comezaba a ser notorio que as mulleres tiñan máis probabilidades de sufrir unha clase de violencia específica en Internet que non temían, pola contra, os homes. Á pregunta de se o panorama está a mudar, e, en caso afirmativo de se muda para ben ou para mal, Filgueira é clara e taxativa: non é das nostálxicas, no feminismo dificultosamente é posíbel selo. Hai tempo que a tendencia é imaxinar o futuro como o peor dos escenarios, e as diversas crises nas que a Humanidade está sumida parecen indicar o mesmo, mais non é posíbel entender o futuro do feminismo como un escenario pesimista. Máis denuncias, non máis casos Hai unha razón que se esconde detrás das noticias sobre os asasinatos machistas no Estado español no que vai de ano. Aumentan nas televisións os espazos dedicados a falar das violacións: a mulleres cada vez máis novas, a nenas, en grupo, a plena luz do día. Todos estes relatos de terror machista contan con altofalantes, con plataformas amplas, mais non son máis abundantes do que hai anos, décadas ou séculos. A maxistrada explícao moi ben durante a conversa telefónica. Ela fai fincapé en que "hai máis denuncias, non máis casos", o que por unha parte tamén significa que estamos inmersas nunha sociedade cada vez máis concienciada e máis intolerante fronte ás distintas manifestacións do machismo. Por outra, tamén implica asumir que esta problemática estrutural, que se erixe sobre o patriarcado, non pereceu e continúan a ser precisas ferramentas específicas para combatela. Cómpre, porén, esquecer os prexuízos e a vergoña que alimentan a impunidade destes delitos, e inmediatamente denunciar. Hai unha rede de mulleres —de homes, tamén— que están para axudar nestes casos. O corpo como espazo de dominio A historiadora alemá Barbara Duden, especializada en estudos de xénero, dedicou gran parte da súa carreira académica a estudar e a retratar o corpo feminino como ese espazo de dominio público que a ollada machista, rancia e heteropatriarcal continúa a ter del, e como ela, moitas profesionais levan toda a súa vida traballando pola igualdade efectiva dos sexos. En función do tramo de idade e da situación económica, os prexuízos para unha muller ao se difundir imaxes dela na rede poden variar. "A reparación económica debe estar aí porque é preciso un acompañamento psicolóxico nestes casos", explica a xuíza. Paz Filgueira indica que a extorsión e o acoso sexual, entendidas como chantaxes que se producen cando hai unha relación de poder dunha persoa sobre outra —neste caso, un home sobre unha muller— por estar en posesión de materiais de tipo íntimo, son algo que aconteceu sempre, do mesmo modo que sempre existiron as "manadas" e os feminicidios. Recoñece que algo que si aconteceu nas últimas décadas, e a un ritmo galopante: perfeccionáronse as formas de difusión de contidos íntimos sen o consentimento das mulleres: "Antes, a quen podía chegar ese contido estaba máis limitado". Amais, cabe ter en conta que perseguir un delito que se cometeu na Galiza é moi dificultoso cando a sede da plataforma ou da páxina na que está o contido se atopa, por exemplo, en Silicon Valley. O caso da Maruxaina Isto é o que aconteceu en San Cibrao, no concello de Cervo, unha noite de troula. Hai xa tres anos que vídeos íntimos de 90 das mulleres que acudiran á festa da Maruxaina foron subidos páxinas pornográficas. Como se dun filme de terror se tratase, os días que prometían ser de festa e despreocupación convertéronse nun pesadelo cando as afectadas descubriron, tempo despois, que foran gravadas cunha cámara oculta nunha rúa pouco concorrida, onde se afastaron da multitude para ouriñar. A historia é a mesma mil veces repetida: a perpetuación do heteropatriarcado que quere facer seu todos os espazos. A estratexia para impedir o normal desenvolvemento da vida das mulleres é meterlles o medo no corpo. Aínda non se coñece quen foi a persoa responsábel, mais desde a Asociación Abrandares en Igualdade de Burela (Bumei), as que levaron o caso ao Parlamento galego, continúan a loitar para que se faga xustiza. Grazas á mobilización das afectadas, o pasado ano o Parlamento finalmente propoñía a reforma da lei do ano 2007, o que permitiu que os delitos específicos contra as mulleres en Internet se considerasen unha forma máis de violencia de xénero. O avogado que defendeu a acusación popular, José Manuel Oliveiros, explica que o que aconteceu na Maruxaina foi tratado como un delito contra a intimidade e contra a integridade moral, algo que podería cambiar coa recentemente estreada lei de liberdade sexual, especialmente logo das emendas máis recentes que se lle fixeron. Unha das principais modificacións na coñecida como a lei do "só si é si" é a do apartado 7 do artigo 197, onde se estipula como delito contra a liberdade sexual a difusión de imaxes íntimas sen o debido consentimento: "Será castigado cunha pena de prisión de tres meses a un ano ou con multa de seis a doce meses o que, sen autorización da persoa afectada, difunda, revele ou ceda a terceiros imaxes ou gravacións audiovisuais daquela que obtivese coa súa anuencia nun domicilio ou en calquera outro lugar fóra do alcance da ollada de terceiros, cando a divulgación menoscabe gravemente a intimidade persoal", recolle o artigo. Amais, esta pena agrávase se a vítima é unha persoa menor de idade ou se atopa en situación de discapacidade. Coaccións A difusión de contidos íntimos de alguén sen o seu consentimento é un delito que a miúdo vén acompañada de chantaxes. Ditas chantaxes pódense dar a través de mensaxaría instantánea ou por outras vías, e as mulleres novas son as máis vulnerábeis fronte a estas violencias e coaccións. Segundo unha investigación recente publicada polo Pew Research Center, o 33% das mulleres de menos de 35 anos afirma sufrir ou ter sufrido acoso sexual por Internet, fronte ao 11% dos homes do mesmo segmento de idade. De feito, a derradeira macroenquisa do Ministerio de Igualdade levada a cabo no ano 2019 puxo de manifesto que as redes sociais son un risco engadido á seguridade das mulleres en Internet. "Vense todo tipo de coaccións e ameazas contra as mulleres", explica a xuíza Filgueira. Cos móbiles, dispárase e multiplícase dita ameaza: "Desde o punto de vista xurídico, o impacto de xénero é moi elevado. Nós non andamos difundindo fotografías por aí, e eles coas rupturas non teñen ese risco: nós si". En palabras da socióloga e politóloga Claudia von Werlhof, o emprego da violencia contra as mulleres constitúe o carácter dos dereitos dos homes como privilexios. Alá onde os homes gozan de dereitos, as mulleres non os teñen; permanecen proscritas, de maneira que ditos dereitos poidan ser exercidos nelas. Eduardo Martínez Lamosa, psicólogo clínico e ademais membro da xunta directiva do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza, explica que o sistema patriarcal tamén rexe a contorna dixital. O perfil do ciberacosador ou extorsionador, di Martínez, adoita ser o dun home descoñecido para a vítima e as consecuencias a nivel psicolóxico son as mesmas que as do acoso sexual en persoa: medo, inseguridade, e nos peores casos cadros de depresión, ansiedade e mesmo condutas suicidas. "A abordaxe ten que ser de varias frontes. A nivel social é con educación fronte ao machismo; a nivel lexislativo hai que endurecer as penas e a nivel individual, témonos que protexer", engade Martínez. Este anonimato protexe ou ampara dalgún modo o delincuente, e faille sentir que ten o control total sobre a vítima. Contra todo isto, a lei aprobada o pasado mes de setembro polo Congreso dos Deputados e que vén de entrar en vigor estabeleceu novas e importantes medidas de prevención e sensibilización. A abordaxe que propón é mediante educación afectivo-sexual e en materia de igualdade, privacidade e delitos cometidos a través das novas tecnoloxías. Un vocabulario preciso e claro, unha lexislación efectiva e formación son cruciais. O mesmo cos códigos de conduta e directrices. Por outra parte, tamén é posíbel ver o lado bo das novas plataformas para comunicar e denunciar publicamente os sufrimentos das mulleres: As plataformas populares en liña como Instagram, Twitter, Facebook e TikTok son espazos onde a xente pode partillar e dar a coñecer, así como procurar axuda para casos de acoso sexual e abuso de poder ás que tiveron que enfrontarse. Normalidade no acoso Nun estudo da UNESCO do ano 2020 sobre o discurso de odio e a seguridade das e dos xornalistas, destácase que elas son quen reciben máis acoso e máis odio a través das redes. Quen dedica gran parte do seu labor investigador desde a Galiza a este asunto é a profesora María Teresa Piñeiro-Otero. A doutora dirixe o Centro de Estudos de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña (UDC) e pon de manifesto: "A miúdo, as mulleres expostas polo seu traballo nas redes non son sequera conscientes do acoso. Asúmeno como algo normal". As mulleres que se expoñen porque son figuras públicas, como artistas, activistas, políticas ou xornalistas, adoitan sufrir insultos e ameazas de modo moi frecuente. Fronte a esta realidade, a socióloga da Universidade da Coruña insiste en que é necesario actuar ao redor de tres eixos principais, que á súa vez coinciden coa opinión do psicólogo Martínez: educación, toma de responsabilidades por parte das redes sociais e acción dos poderes públicos. Desde o Centro de Estudos de Xénero están especialmente implicadas na defensa das mulleres novas na rede, que son moi vulnerábeis a todos os delitos de acoso e de abuso. Para exemplificar as moitas e interesantes investigacións que se están a desenvolver desde a Galiza sobre asuntos relacionados coa rede e o benestar das mulleres na mesma, xunto co doutor en Comunicación da Universidade de Vigo Xabier Martínez-Rolán, Piñeiro-Otero publicou o ano pasado o artigo "Iso non mo dis na rúa", un estudo arredor do discurso do odio e a misoxinia en Twitter tomando como exemplo 50 mulleres do Estado español con proxección nas redes sociais. Na descrición da súa investigación, explican cales son as causas principais da sensación de dominio sobre o espazo dixital que teñen os homes: "Internet configúrase como un espazo de desigualdade onde se reproducen as relacións de poder e prácticas patriarcais, amplificadas pola sensación de anonimato e o seu efecto desinhibidor". Ambos os dous doutores investigan na actualidade sobre algo que moitas cren que non pode denunciarse, mais é frecuente e pode ter graves consecuencias psicolóxicas. Trátase do envío de fotografías de xenitais masculinos sen consentimento ás mozas a través das redes sociais. Algúns deses homes, como sinala Piñeiro-Otero, están tan pouco sensibilizados e teñen tan pouco entendemento da realidade das mulleres coas que teñen interacción que "non só o fan por unha cuestión de poder: hai quen pensa realmente que recibirán outra de volta".
NOS_2096
O BNG reúne a centos de activistas nun acto lúdico para frear a construción de 120 vivendas nunha zona comunitaria e denuncia recortes orzamentarios na comarca.
Xa non está a fronte do concello de Santiago, mais a sombra do anterior alcalde, Gerardo Conde Roa, é longa e ten un dos seus focos na pelotada urbanística asinada polo goberno do PP coa inmobiliaria Layetana para construíren 120 vivendas de luxo na Finca do Espiño, en terreo de uso público. Así, o BNG de Santiago organizou este sábado unha actividade reivindicativa e de lecer, na que participaron un cento de persoas, para chamar a atención sobre a necesidade de revisar o convenio asinado polo Goberno municipal coa inmobiliaria Layetana. O portavoz do BNG no Congreso e candidato á presidencia de Xunta, Francisco Jorquera, afirmou que en Galiza e no Estado español "a crise económica é a crise dun modelo produtivo, que baseou a economía nun modelo especulativo e, en particular, a vinculada ao sector inmobiliario, fundamentada na cultura da pelotada urbanística". "En vez de aprender das causas desta crise, en Santiago de Compostela séguese abondando neste modelo especulativo, como o que se pretende perpetrar na Finca do Espiño que hoxe vimos de denunciar desde o BNG con este acto lúdico e reivindicativo", sinalou en declaracións aos medios ao inicio do roteiro. De feito, a cidadanía de Compostela está a se mobilizar coa finalidade de frear esta actuación, razón pola que o BNG convocou un acto lúdico e reivindicativo este sábado ás 11.30 horas no Parque de Galeras para percorrer logo a Selva Negra e rematar cun xantar ecolóxico na Granxa do Xesto. O lema desta actividade será "Por unha finca verde no Espiño de Compostela" e está organizada para conmemorar o Día da Terra. Segundo os nacionalistas, "a conversión dunha residencia de uso social e dun espazo de goce e de lecer para a cidadanía compostelá en pisos de luxo edificados en terreo municipal constitúe un novo episodio de especulación que lle dá ás costas á maioría das persoas que viven en Compostela que avogan pola continuidade do mantemento dos espazos naturais e pola utilización colectiva de recursos e de servizos". Por outra parte, o deputado nacionalista Francisco Jorquera, falou sobre os orzamentos do estado, que cre "que van provocar máis crise, porque son uns orzamentos antisociais e inxustos para a comarca de Compostela". Segundo explicou, prodúcese un recorte, con respecto ao contemplado na Lei de Orzamentos de 2011, de máis de 100 millóns de euros.
NOS_21077
Esta quinta feira quen toma a palabra no #VenhanMáisCinco é Natividade López, economista do gabinete técnico da CIG.
-Como avalías o estado actual da economía galega? -Estamos nun período de crecemento económico pero con incremento das desigualdades sociais.Se ben o PIB leva 3 anos consecutivos incrementándose, esta mellora non se traslada ao mercado de traballo; os empregos que se están creando son de moi escasa duración e baixos salarios, de aí que ano a ano os asalariados continúan perdendo peso no PIB. -Que evolución agardas no plano económico/laboral galego a cinco anos vista? -A incerteza é elevada, xa que a chamada recuperación económica se sustenta fundamentalmente en factores externos: prezo do petróleo, baixos tipos de xuro… , pero aínda que esta continúe, como non se produza un xiro nas relacións laborais, continuará o deterioro do mercado de traballo, incrementándose as desigualdades sociais e o numero de persoas en risco de exclusión social. -Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar? -Sería importante que se convertese no referente da análise socio económica e política de Galiza.
NOS_10142
"O Congreso ten un gañador e un perdedor. O gañador é Blanco. O perdedor, Besteiro". Nestes termos pronunciouse ao termo do cónclave socialista unha fonte próxima ao PSdeG-PSOE de Lugo. Besteiro fixo equilibrios á hora de compor a súa Executiva, na que dirixentes afíns a José Blanco se fixeron coas áreas claves.
A sombra do ex ministro de Fomento e ex vicesecretario xeral do PsdeG-PSOe continúa a ser alongada. Para comezar, Besteiro foi na súa orixe un home del, a súa criatura. Agora é o líder do partido. Hai apenas uns días, nunha entrevista na SER Galiza, Blanco autodesbotábase como candidato á presidencia da Xunta, ao afirmar que non acredita na bicefalia. Mas nesa mesma conversa evitaba respaldar explicitamente ao presidente da Deputación de Lugo. Fontes próximas a Blanco dixeron a Sermos Galiza que o de Palas de Rei non ten resolvida aínda a incógnita de se concorrerá ou non ás primarias para elexir candidato. Afirman que todo depende do que digan os inquéritos. A Executiva só obtivo o 68% dos votos d@s congresistas, mentres que o secretario xeral fora eleito co 95% dos apoios "Na Executiva, en realidade Besteiro ten menos homes seus dos que ten Pepe Blanco", afirman fontes coñecedoras do proceso de conformación da candidatura. Na nova dirección do PSdeG, Blanco ten tres apoios clave: Valentín González, novo responsábel de Política Municipal; Luis Ángel Lago Lage, secretario de Administración e Acción Electoral; e Pilar Cancela, secretaria de Organización. Besteiro confeccionou unha listaxe executiva de compromiso, con pactos a diversas bandas. A impresión xeral é que non deixou contento a ninguén. Mais Blanco cubriu todos os seus obxectivos: colocar as súas pezas na sala de máquinas do partido. A Executiva só obtivo o 68 por cento do voto d@s congresistas, mentres que o secretario xeral fora eleito co 95 por cento dos apoios.
NOS_48446
O concello de Moaña deu un paso importante na independencia enerxética pública das grandes multinacionais. Grazas a unha sentenza favorábel do TSXG, aprobou en pleno o pasado 29 de decembro a adxudicación da electricidade a unha comercializadora cun patrón máis sustentábel.
A liberalización do sector eléctrico en 2013 non conseguiu diminuír a importante presenza das grandes empresas eléctricas que, na Galiza, foron pasando por varias mans desde Fenosa a Gas Natural até a súa denominación actual: Naturgy. Unha gran parte do seu negocio está nos contratos cos municipios e outras administracións que, por inercia ou polas propias dificultades que leva consigo un cambio, continúan traballando con esta multinacional. O concello de Moaña quixo rachar con esta situación sabedora de que cada ano destinaban a este gasto 430.000 euros. O último Pleno deste ano, realizado o pasado 29 de decembro, confirmou a mudanza de compañía eléctrica após un longo e complexo proceso xudicial como consecuencia dos sucesivos recursos da multinacional para atrasar a nova contratación. A última sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, con data do pasado 7 de decembro, deu estabilidade xurídica para que calquera Administración galega poida, como Moaña, introducir o compromiso co desenvolvemento sustentábel na contratación. Naturgy non conta coa Etiqueta A O concelleiro de Facenda de Moaña, o nacionalista Aldán Santamarina Corral, explica a Nós Diario a razón de iniciar este proceso. "Parecíanos un escándalo pasar esas cantidades sen cuestionalas e ao prezo que marcaba a propia Naturgy", relata. Comezaron por traballar a licitación para adaptala ao compromiso sustentábel do Goberno moañés e aplicaron nas condicións do contrato, ademais do aforro económico propio, a promoción da igualdade no seu persoal e engadiron contar coa etiqueta eléctrica tipo A, que garante que a enerxía foi producida cun impacto ambiental mínimo. A carencia por parte da multinacional deste último requisito, que si cumpren máis do 67% das comercializadoras eléctricas, permitiu sacar adiante a nova licitación. A exixencia de contar coa etiqueta tipo A contribúe á redución de contaminación e promove unha mudanza nos patróns de consumo sustentábel da enerxía. Outra das condicións que puxo o concello de Moaña para acceder ao contrato de subministración eléctrica do municipio era o compromiso das empresas en manter unha política de igualdade no seu cadro de persoal. Santamarina explica que Naturgy conseguiu que a xustiza admitira que non se tivera en conta en toda a multinacional, "algo que sería un gran paso histórico", mais si se aprobou nas condicións de execución do contrato como requisito para que as empresas adxudicatarias fagan polo menos 50% das novas contratacións, coa finalidade de que os postos vinculados co contrato en Moaña deban estar cubertos por mulleres. Nova comercializadora adxudicada A nova empresa que comerciará a electricidade para o concello de Moaña será Aura Energía, que conseguiu levar 3 dos 5 lotes nos que se dividiu o contrato por un importe total de 293.048,94 euros anuais (1,4 millóns se consideramos catro anos incluíndo as prórrogas). Trátanse dos lotes máis cuantiosos, polo que a adxudicación suporá 88% do total do contrato. Os dous lotes restantes declararanse desertos, polo que o Concello volverá iniciar unha nova licitación en 2021 para ese 12% restante. A electricidade destinarase ao alumeado público e aos edificios municipais. A duración do contrato será de 2 anos, prorrogábeis por outros dous. Con esta licitación o Goberno municipal de Moaña conseguiu un aforro económico como consecuencia directa de promover unha concorrencia pública e aberta entre as empresas comercializadoras que operan no sector eléctrico. O novo contrato terá un importante aforro anual, superior aos 92.000 euros segundo os cálculos da intervención municipal, dado que en 2020 o consumo eléctrico supuxo un gasto de 447.346,07 euros e co prezo de adxudicación esa cantidade prevese que descenda a 351.823,36 euros en 2021.
NOS_34676
A suba dos tipos de xuro de medio punto dificultará obter préstamos e hipotecas.
O Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) decidiu esta quinta feira elevar os tipos de xuro en medio punto, de forma que o tipo de xuro para as súas operacións de financiamento situarase en 0,50%, mentres que a taxa de depósito alcanzará 0% e a de facilidade de préstamo 0,75%. Os aforradores galegos perderon 5.097 millóns no último ano pola inflación O BCE decidiu así un incremento no prezo do diñeiro maior do que adiantara nas últimas semanas, cando varios membros do Comité Executivo indicaron que o incremento sería un cuarto de punto. Trátase tamén da primeira suba de tipos de xuros desde xullo de 2011. Consecuencias para o acceso ao financiamento A suba de tipos vaise facer notar na facilidade de acceso ás hipotecas, unhas complicacións nos condicións ao financiamento bancario que xa levan notando familias e empresas no último ano a razón dos anuncios que o BCE vén facendo ao respecto e que se veñen de confirmar. O crédito ao consumo é outra das cuestións que se verán afectadas, xa que o financiamento a través dos bancos encarecerase, algo que previsibelmente suporá un freo ao consumo e consecuentemente un freo á economía que está a provocar previsións de recesión na zona euro. Os bancos europeos endurecen os requirimentos para obter un préstamo Pola contra, todo fai prever que o aumento dos tipos de xuro terá unha parte positiva, o incremento do valor dos aforros, así, aquelas persoas que teñan depósitos ou outro tipo de fondos de investimento verán incrementada a súa rendibilidade. O BCE afirmou que a "normalización" da política monetaria continuará, aínda que non indicou durante canto tempo seguirán subindo os tipos de xuro. Mecanismo contra a fragmentación O mecanismo contra a fragmentación, denominado oficialmente como Instrumento para a Protección da Transmisión (TPI), tamén foi anunciado esta quinta feira polo BCE. O aumento da inflación en Alemaña dispara os tipos de xuro da débeda portuguesa A intención do TPI é que a estratexia monetaria do BCE se aplique por igual en todos os Estados da zona euro e así, contrarrestar dinámicas dos mercados que sexan desordenadas e ameacen á transmisión cohesionada da política monetaria.
NOS_17090
A pasada cuarta feira constituíuse a Plataforma Galega contra a OTAN. Unha das entidades promotoras do colectivo pacifista é a Confederación Intersindical Galega (CIG). O responsábel de relacións internacionais da central sindical, Xosé Luís Rivera Xácome, explica a Nós Diario os seus obxectivos e as súas liñas de actuación
Cales son as razóns pola que nace a Plataforma Galega contra OTAN e cales son os seus obxectivos? O colectivo non xorde como consecuencia do conflito que se vive en Ucraína senón que o mesmo reafirma a necesidade dunha entidade para dar resposta ás políticas da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). Neste sentido, desde a CIG, cando soubemos da convocatoria dunha cimeira da alianza para 29 e 30 de xuño deste ano en Madrid, vimos a necesidade de pór en marcha unha campaña explicando cales son os seus obxectivos. A intención da plataforma a curto prazo é informar sobre a razón de ser da OTAN, un tema do que se fala pouco e cuxa información é case sempre manipulada ou interesada. Unha estrutura militar que supostamente naceu cos obxectivos de loitar contra a Unión Soviética pero, cando xa pasaron máis de 30 anos da desaparición desta, segue moi activa en diversas partes do planeta. Trátase de trasladar á sociedade información sobre o significado da OTAN, os atropelos que comete en todo o mundo, os intereses que defende e do perigo que representa para o mundo. Que colectivos conforman a plataforma e cales son as actividades a realizar a curto prazo? A Plataforma Galega contra a OTAN nace impulsada por Adega, BNG, CIG, Erguer, Galiza Nova e Mar de Lumes pero estamos xa traballando para ampliala porque aquí teñen o seu sitio todas aquelas entidades que traballan pola desaparición dos bloques militares e que neste concreto momento reclaman ao Goberno español que non envíe tropas ao leste de Europa. Malia que a plataforma non nace como resposta á situación que se vive en Ucraína, gustaríanos coñecer a súa posición respecto a este conflito? O caso de Ucraína é un exemplo máis de como actúa a OTAN usando a mentira e creando unha falsa sensación de temor. A maioría dos medios de comunicación súmanse á estratexia da alianza para ofrecer unha imaxe manipulada do que acontece na zona. Ninguén nos di que Ucraína non é un Estado homoxéneo, que unha parte da poboación é de cultura e sentimento nacional ruso, que o Executivo ucraíno está apoiado pola extrema dereita ou que os Estados Unidos e a OTAN teñen vulnerado os acordos de Minsk. Que traballo se marcan como prioritarios para os vindeiros meses? A OTAN é un instrumento para a guerra e a bandidaxe e debe ser combatida. A maiores da campaña informativa, traballamos na oposición ao cumio da alianza de xuño e non imos dubidar en saír á rúa no caso dun conflito bélico no leste. Acreditamos no carácter pacífico do pobo galego e da súa oposición aos conflitos bélicos e consideramos lamentábel a posición do Goberno español e das autoridades comunitarias.
NOS_4270
Valenzuela foi o primeiro autor galego en escribir sobre a experiencia da represión, e a súa loita, nacionalista e de esquerda, levouno ao cárcere e o exilio. Dedicámoslle o número 87 do caderno A Fondo.
O A Fondo desta semana recupera a memoria de Ramón de Valenzuela, escritor, galeguista e un dos grandes esquecidos do país. Este 2014, no que se lle decidiu dedicar o Día das Letras a Filgueira Valverde, medrado ao calor do réxime franquista, fanse tamén cen anos do nacemento deste intelectual que loitou en dúas guerras, viviu o exilio e militou nas filas do Partido Galeguista, primeiro, e logo do comunismo. O recoñecemento á figura de Valenzuela, alén o seu concello natal, Silleda, é materia aínda pendente, tal e como recoñece Matias Rodríguez da Torre, coordenador deste A Fondo. A dimensión política e a literaria O heroísmo de Valenzuela, afirma Xoán Carlos Garrido, un dos colaboradores deste A Fondo, levouno a "expoñer a vida por un pobo que non llo pedía nin llo agradecía", combatendo nas frontes, nas cadeas da Gestapo, na deportación, na loita clandestina, condenado a morte. Este A Fondo analiza a súa figura política, o contrapunto que supuxo na posguerra fronte á figura de Piñeiro, e as coordenadas da súa ideoloxía política, dende a súa traxectoria no Partido Galeguista até a militancia, no últimos anos da súa vida, no Partido Comunista Galego, mais sen perder a concepción de Galiza como nación. Foi o primeiro escritor galego en deixar plasmada a memoria da represión xa nos anos 50, coa súa novela Non agardei por ninguén Da man do profesor e investigador Manuel Igrexas, o especial repasa a súa traxectoria vital. O caderno de análise de Sermos Galiza incide de maneira destacada no valor literario da súa obra, monolingüe en galego, que ocupa porén un lugar secundario nos manuais. Foi o primeiro escritor galego en deixar plasmada a memoria da represión xa nos anos 50, coa súa novela Non agardei por ninguén, á que lle deu continuidade, xa iniciados os 80, en Era tempo de apandar. Da súa vocación polo teatro, da que fala a actriz Cristina Collazo, deixa constancia na escrita da obra As bágoas do demo. O filólogo Alejandro Breijo reivindica a reedición dos seus libros que, hoxe en día, dificilmente se poden localizar nos andeis. O recoñecemento á figura de Valenzuela, alén o seu concello natal, Silleda, é materia aínda pendente Entrevista a Mariví Villaverde Mariví Villaverde, viuva de Valenzuela e figura destacada polo seu compromiso coa recuperación da memoria historia, evoca os anos compartidos co que foi, durante décadas, o seu compañeiro. "Ramón querería que todo o que se podía ter feito daquela se fixera agora", afirma. E engade, en relación cos actos de celebración do seu centenario en Silleda, o seu concello natal: "Menos mal que se lle dedica algo a Ramón porque así serve para contrarrestar a homenaxe das Letras Galegas a Filgueira, que non tivo méritos".
NOS_9361
Na época do ano de máximo risco de lumes forestais, varias unidades de extinción de incendios están a traballar sen dispoñeren de motobombas, unha ferramenta fundamental para atallalos. Así o denuncia a CIG, que advirte de fallos detectados nos vehículos.
A última remesa de motobombas entregadas á Xunta de Galiza presentan graves fallos que impiden o seu uso. Isto provoca que unidades de extinción de incendios teñan que desenvolver o seu labor sen contar cun dos instrumentos básicos no traballo contra os lumes. Segundo a CIG, esta situación está a darse en distritos de Ourense, en Deza-Tabeirós, no Condado-Paradanta e en Caldas-O Salnés. "Tivemos coñecemento de que en algún caso, o afectado foi o sistema de freado, poñendo en risco a vida tanto de condutores como dos alí presentes", sinala a CIG-Autonómica, que tamén se fai eco de problemas na refrixeración do motor dos vehículos. Trátase, en definitiva, de fallos que "afectan á eficacia na defensa dos montes". Sen alternativa Diante desta situación, a CIG lamenta o desleixo da Xunta, "desde o goberno non contactaron cos representantes dos traballadores e traballadoras para explicar as causas destes fallos". Uns fallos que, alerta a central sindical, "minguan o dispositivo en época de máximo risco" e cando hai "máxima carga de traballo". E é que a inmobilización dos vehículos non veu acompañada de ningunha solución. Aliás, o sindicato solicitou a convocatoria urxente do Comité de Prevención de Riscos Laborais, amais de instar a Consellaría de Medio Rural a explicar que vai facer coas motobombas entregadas na última remesa e se están en funcionamento. Entrega de 57 motobombas O 1 de de xullo a Xunta de Galiza facía pública a última entrega de motobombas dentro do dispositivo de loita contra incendios deste verán. Tratouse, neste caso, de vehículos que lles foron entregados aos concellos de Noia, Bande e Ribeira e que se sumaron ás 57 motobombas entregadas no mes de marzo nun acto que presidiu Alberto Núñez Feijóo. Precisamente, o 1 de xullo, a Xunta anunciaba mediante un comunicado de prensa que estaba prevista a compra doutras 12 motobombas para finais de 2016 e 12 máis para a primavera de 2017.
NOS_44753
Alberto Núñez Feixoo ultima a mudanza a Madrid. Un traslado no que levará con el varias das persoas da súa máxima confianza que o acompañaron estes anos como presidente e ás que sumará outro grupo xa en Madrid, tamén da súa confianza, para conformar o seu equipo na capital do Estado. Desde alí, e ese é o seu obxectivo, preparará a conquista da Moncloa.
Núñez Feixoo ten ganas de aterrar en Madrid, cidade que coñece ben —residiu alí mentres era presidente do Insalud ou director xeral de Correos— e da que gosta, como volveu manifestar esta terza feira da man da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso. Feixoo dixo ter ganas de se mudar a Madrid e desde alí liderar o PP estatal e preparar o salto ao Goberno español. Un círculo leal Para acadar ese obxectivo Feixoo ultima un equipo de confianza, tanto para lle axudar na ponte de mando do partido como de cara a preparar as eleccións e xestionar unha posíbel vitoria. Son persoas da súa máxima confianza política e, nalgúns casos, tamén persoal, e algúns dos cales xa estaban na mente do aínda presidente galego en 2018, cando preparaba a súa candidatura ao PP español que desbotou no último momento sen desvelar os motivos. Entón dixo: "Para min ser presidente da Galiza é a maior das miñas ambicións políticas". Hoxe, mentres a Galiza atravesa unha grave crise, Feixoo percorre España facendo campaña para liderar o Partido Popular. Entre eses nomes do 'Equipo Feixoo' o máis repetido é o de Mar Sánchez, que o acompaña desde 2000, cando era directora de comunicación de Correos. Co triunfo do PP nas eleccións galegas de 2009 pasa ser directora xeral de Comunicación da Xunta e desde 2013 é secretaria xeral de Medios. Ten a máxima confianza de Feixoo e aplica unha política de 'man de ferro' cos medios críticos e 'luva de seda' cos favorábeis. É responsábel de que no Goberno galego non haxa filtracións. Nunca. O PP convoca oficialmente o seu Congreso Extraordinario para o 1 e 2 de abril Outro nome riba da mesa para a mudanza é o de Miguel Tellado, secretario xeral do PP galego, que estaría chamado a ocupar postos de responsabilidade no PP español. Algunhas fontes apuntan tamén a Álvaro Pérez, secretario xeral do Gabinete, e a Marta Varela, directora de Gabinete e a persoa que escribe agora os discursos de Feixoo. Mesmo o vicepresidente segundo, o monfortino Francisco Conde, amigo íntimo de Feixoo desde hai anos —por iso aceptou ser conselleiro— e con ganas de volver a Madrid, onde ten a vida familiar, daría o salto. E entre os nomes de confianza de Feixoo en Madrid para a nova etapa están Ana Pastor, na que confía para ter autoritas no grupo parlamentario no Congreso e o Senado, e Jaime de Olano, deputado por Lugo e un dos feixonianos de primeira hora na capital do Estado. Meses preparado As crónicas de Madrid apuntan que os afíns a Feixoo levaba desde hai un ano preparando a alternativa a Pablo Casado, conscientes de que non tiña percorrido. O presidente galego aproveitou o momento oportuno, mais encargouse de que todo estivese preparado para que cando chegase ese momento, todos o buscasen a el.
NOS_50377
39 anos e seis finais olímpicas despois, a padexeira Teresa Portela fixo realidade o seu soño logrando unha medalla olímpica, a única que lle faltaba no seu excelso palmarés. Prata no K1 200, como ela mesmo recoñeceu atopou a motivación definitiva repetindo na cabeza as verbas da súa filla: "Gaña, mami, gaña".
O de Teresa Portela é o mellor exemplo de que se pode finalizar en segunda posición pero seguir sendo unha auténtica número 1, e, ao mesmo tempo, un exemplo para a rapazada de que nunca hai que renderse, porque se as cousas non saen á primeira, ou á segunda, á terceira, á cuarta, ou á quinta, poden saír á sexta. Porque a padexeira de Cangas afincada no Grove -onde recibirá o recoñecemento de 'filla adoptiva no mes de setembro- logrou aos seus 39 anos, e nos que foron os seus sextos Xogos Olímpicos, unha medalla que se lle resistía desde hai máis de dúas décadas. Conseguiuno na proba de K1 200 metros, e se en Londres 2012 quedou fóra do podio por tan só 128 milésimas, na capital nipoa cambiaron as tornas e superou á danesa Emma Jorgensen, terceira clasificada, en 12 milésimas. Tamén logrou unha medalla na xornada este 3 de agosto, a falta de dilucidar a súa cor, o futbolista Iván Villar. Após superar os anfitrións do Xapón nas semifinais, o combinado Estatal disputará a final ante o Brasil co ouro en xogo. Lamentabelmente, nin Támara Echegoyen nin Iago López na vela, dúas moi serias opcións de metal, puideron engrosar o medalleiro galego, pois ambas as competidoras finalizaron as súas probas na cuarto posición. Tamén dixo adeus a Toquio o xogador de baloncesto Alberto Abalde, eliminado polos grandes favoritos, os Estados Unidos de América, nun choque que supuxo o adeus internacional dos irmáns Gasol, Pau e Marc. Adrián Ben, a derradeira esperanza no atletismo Logo do bronce de Ana Peleteiro e da temperá eliminación de Belén Toimil, o último representante do país no atletismo é o lucense Adrián Ben, quen compite esta cuarta feira, 4 de agosto, ás 14.05 nunha final dos 800 metros á que chega sen ningunha presión, pois a súa presenza na mesma xa é toda unha fazaña. Antes que el, de madrugada, Nico Rodríguez fecha as opcións galegas na vela coa 'Medal Race' do 470 masculino, en contraposición a Carlos Arévalo e Antía Jácome no piragüismo, que se estrean nos clasificatorios, igual que Julia Benedetti na modalidade de skateboarding.
PRAZA_16924
A Candidatura Unitaria Estudantil acadou dous de cada tres postos no Claustro. Pídelle a Antonio López unha xuntanza e propón unha fronte común contra os recortes, un protocolo contra a violencia machista e a conformación dun "consello de estudantes".
Na xornada electoral que viviu a Universidade de Santiago o pasado luns, e na que Antonio López foi elixido como novo reitor cunha ampla maioría, a A Candidatura Unitaria Estudantil (CUE) obtivo entre o estudantado unha vitoria igualmente contundente, facéndose con dous de cada tres postos no Claustro da USC. En concreto, obtivo 38 representantes dun total de 58 posibles, repetindo o triunfo acadado en 2016 e ampliando a súa maioría con sete postos máis. Os seus e as súas integrantes foron propostos por asembleas abertas de todos os centros, colaborando nalgunhas ocasións con outras organizacións de diferentes facultades como a Delegación de Alumnos de Física, a Candidatura Unitarida de Educadoras ou Bota e Bata (na Facultade de Bioloxía). Polo que respecta ás elección de Persoal de Administración e Servizos (PAS) a candidatura de A Trabe obtivo 20 dos 30 postos. Entre as medidas concretas destacan varias reivindicacións feministas xurdidas das mobilizacións do 8M, como a posta en marcha dun protocolo "verdadeiramente efectivo" contra a violencia machista Agora, a CUE pídelle ao novo reitor unha xuntanza para tratar distintos asuntos, lembrándolle que durante a folga estudantil do pasado 9 de abril, unha delegación de alumnos e alumnas reuniuse co entón candidato para transmitirlle unha serie de esixencias, ante as que López amosou boa disposición, destaca a CUE, que agora lle demanda "a aplicación concreta destes compromisos". Entre as medidas concretas que foron centrais na folga e que agora serán defendidas pola CUE destacan varias reivindicacións feministas xurdidas das mobilizacións do 8M, entre as que se atopa a posta en marcha dun protocolo "verdadeiramente efectivo" contra a violencia machista, o aumento da seguridade nos campus para previr agresións e a dispoñibilidade de produtos de hixiene feminina á venda nos centros. Ademais, como parte da redacción dun novo estatuto do estudante a CUE reivindicará a conformación dun consello de estudantes "que lle permita ao estudantado ser interlocutor decisivo nos debates da universidade". A CUE propón conformar unha fronte común con todos os axentes implicados "para forzar un xiro na política educativa da Xunta, contra os recortes e a falta de financiamento" Finalmente, a candidatura estudantil propón conformar unha fronte común con todos os axentes implicados "para forzar un xiro na política educativa da Xunta, contra os recortes e a falta de financiamento" e avanzar cara a unha Lei Galega de Educación "que teña en conta os diferentes colectivos implicados e permita paliar as deficiencias estruturais do noso ensino".
NOS_40943
Coa súa interpretación do narcotraficante Manuel Charlín na serie Fariña, boa parte do mundo exterior descubriu Antonio Durán, Morris (Vigo, 1959). O actor, veterano de mil guerras teatrais, popular na Galiza polas 14 tempadas de Pratos Combinados, asiste ao seu éxito de crítica e público na pantalla cunha miga de escepticismo. "Non vai mudar nada. Pero á miña xeración este recoñecemento chéganos nun intre en que estamos facendo cousas interesantes", admite. Eis un extracto da entrevista publicada no Sermos Galiza 291.
Non existe o risco da ambigüidade na imaxe que Fariña ofrece dos narcos? Que poden quedar ben? Si. Que pasa? Que os malos, en todos os filmes, atráennos. Al Capone era un asasino e todos quedamos coa súa imaxe. Calígula era un cabrón lúcido, e todos quedamos con el. Pero en Fariña o que se viu ate agora [a entrevista realízase o 5 de abril] son os cinco primeiros capítulos. Logo o relato é un pouco máis duro. Pero son dúas historias paralelas. Unha, a que afortunadamente levantaron as nais, coa resistencia cara á droga e en defensa da mocidade. E outra a vida paralela deles. Creo que merecen dúas historias case separadas. Logo son uns narcos que veñen do furtivismo e o seu coñecemento é curioso, é galego. Velos no xuízo e como non vas empatizar con eles? Escárallaste! Ves as declaracións dos Charlín, de Oubiña ou de Padín e engánchaste, son tan sui generis... Onte, no especial, puñan imaxes de Charlín: "Eu non son un túzaro. Que clan nin que clan nin que clan, eu non son clan nin da miña familia!". Tantas propiedades en fincas e dicía: "Home, eu non digo que non teña fincas, pero pense que na Galiza a 20 metros chamámoslle finca". Logo saen historias, e houbo mortes. Charlín tamén contaba: "Non, eu non forraba a hostias os meus fillos". Pero recoñece que hai episodios certos como cando os seus fillos mallaron a Suances e metérono no frigorífico. Como este tío ten o papo de dicir que nunca lle meteu unha hostia aos fillos pero si lles mandou forrar a este e que o metesen no frigorífico. Eu non sei como foi Narcos alá... Pablo Escobar, nalgúns lugares de Colombia, é unha figura popular, case mítica. Claro, El Lute... Sabes que pasa? Que fas un retrato humano do delincuente. E o retrato humano do delincuente se está ben feito é moi atractivo. O mal é moi atractivo. O noso é o retrato da época. Eu dicíalle a Carlos [Blanco, que fai de Laureano Oubiña]: "Habería que amosar un pouco a relación de Charlín coa muller, non era tan malo, o que el ten na mirada". E Carlos contestaba: "Xa tes abondo, para que amosar ese lado, non ten sentido". Creo que si, que corre ese perigo, pero iso non é por estar contado dunha forma. É porque a sociedade quedamos con esas historias. Antes referíase ao éxito de audiencia no Estado, pero na Galiza é aínda máis esmagante. Si, onte tivo un 47%. Pódese deber a que haxa un déficit de ficción na Galiza, sobre Galiza? Claro. Eu creo que os galegos temos unha grande industria aquí, e uns profesionais da hostia, e contamos cousas próximas a través do costumismo. Daquela, identifícaste con personaxes en plan broma. Pero se nos achegásemos á nosa realidade, teríamos máis audiencia. [Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 291, á venda nos quiosques e na loxa]
NOS_2552
As infeccións activas tamén descenden até as 17.023, así como a taxa de positividade, en 15,31%
As infeccións activas na Galiza descenden após varios días de suba, e quedan en 17.023 (84 menos). Baixan tamén os novos contaxios, 1.637 casos novos nas últimas 24 horas (296 menos que a xornada anterior) e a taxa de positividade, en 15,31%. Por contra, a presión hospitalaria repunta lixeiramente, con 426 hospitalizados (nove máis). Isto é o que se desprende dos datos actualizados polo Servizo Galego de Saúde este domingo, con rexistros de até as 18 horas do sábado, e recollidos por Europa Press. Así, dos 426 ingresados, 395 permanecen hospitalizados en unidades convencionais (oito máis) e 31 en UCI (un máis). No que respecta ás áreas sanitarias, a carga asistencial aumenta en tres, descende noutras tres e mantense sen cambios na de Ferrol, que continúa con 34 pacientes en planta e dúas en UCI. Así, a de Ourense conta con 63 pacientes en planta (dúas máis) e tres en coidados intensivos (sen cambios); a da Coruña, con 82 hospitalizados en unidades convencionais (seis menos) e sete en UCI (un máis); e de Santiago, con 68 pacientes en planta (un menos) e oito en críticos (sen cambios). Doutra banda, a área de Pontevedra conta con 57 ingresados en unidades convencionais (dúas máis) e catro en críticos (sen cambios); a de Lugo, con 42 ingresados en unidades convencionais (cinco máis) e tres en UCI (sen cambios); e o de Vigo, con 49 hospitalizados en planta (seis máis) e catro en unidades de coidados intensivos (sen cambios). Por outra parte, os novos contaxios rexistran un descenso após varias xornadas de incremento, con 1.637 casos máis nas últimas 24 horas -296 menos que a xornada anterior-. Segundo os datos actualizados polo Ministerio de Sanidade, a Incidencia Acumulada sitúase na Galiza nos 722,50 casos por cada 100.000 habitantes. A media do Estado está nos 463,15. As infeccións activas na Galiza tamén baixan este domingo até as 17.023 (84 menos), ao rexistrarse máis altas (1.717) que contagios (1.637), e ao que se suman catro falecidos. O descenso é xeneralizado, dado que os casos activos só aumentan nas áreas de Ourense, con 2.239 infeccións activas (50 máis); na da Coruña, con 3.350 (80 máis); e na de Ferrol (31 máis). Por contra, na última xornada Sanidade notificou catro falecementos máis que elevan a 3.125 os óbitos por covid. Os falecementos corresponden ao 4 de marzo; un home de 74 anos da área de Santiago; outro de 92 anos da de Ourense; e dúas mulleres de 88 e 90 anos da área de Pontevedra. Todas, segundo informou Sanidade, presentaban patoloxías previas.
QUEPASA_215
Un campión de España e dous de Galicia para a familia deportiva de Cee.
Esta temporada pasou de promesa a realidade e hai quen pensa que pronto o veremos nas televisións. Aínda non cumpriu os 19 anos e xa é Campión de España sub20, ademais de ter participado nos campionatos de Europa da súa categoría e no Campionato de España Seleccións absolutas representando a Galicia. Este ceense que comezaba no Olimpia da man Jorge Rodríguez Lariño (primeiro adestrador do club no 2012), tivo que pasar ao club Coruña Comarca hai varios anos para seguir medrando co seu adestrador José Carlos Tuñas Dugnol, co que xa conseguiu un palmarés incrible, abrindo un futuro tremendamente esperanzador. Por iso, o novo goberno do Concello de Cee, no marco de recepcións que leva facendo este primeiro mes da lexislatura, quixo entregarlle un recoñecemento. Resultados ao aire libre temporada 2018/2019 SUBCAMPION DE ESPAÑA SUB-20 EN 800 M. LISOS AIRE LIBRE en Granollers (07/07/2019). 3º no XXXI CAMPIONATO DE GALICIA DE CLUBES HOMES en 400m (27/04/2019). 2º posto C1 no Ourense Termal Athletics Meeting 2019 de Ourese (18/05/2019). 1º posto C1 no Trofeo Lucus de Lugo (23/06/2019). 5º posrto S2 no 25º Campeonato de Europa Sub20 (19/07/2019). Resultados en pista cuberta temporada 2018/2019 1º posto nos LXII CAMPIONATOS DE GALICIA SUB ́18 E SUB ́20 de 400m EN PISTA CUBERTA de Ourense (23/02/2019). 1º posto no XV COPA DE GALICIA DE CLUBES EN PISTA CUBERTA de 400m en Ourense (23/02/2019). 1º posto no XXXIV CTO. GALICIA ABSOLUTO E SUB ́23 Y 1500-3000 SUB18-20 en PISTA CUBERTA de 800m en Ouresen (20/01/2019). 1º posto no XLVI Campeonato de España Sub20 en Pista Cubierta de Madrid (03/03/2019). 1º posto nos LXII CAMPIONATOS DE GALICIA SUB ́18 E SUB ́20 EN PISTA CUBERTA de Ourense (23/02/19) 2º posto no XI CAMPIONATO DE GALICIA DE MILLA EN RUTA (Abs., Sub23, Sub220, Sub18, Master) en Santiago (07/04/2019).