ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_54518 | En 1898 varios periódicos galegos e un de Buenos Aires publican un texto orixinado en La Gaceta de Galicia que reclama máis uso da bandeira galega e afirma que a derradeira vez que a viron ondear foi no traslado dos restos de Rosalía | O traslado dos restos de Rosalía desde o cemiterio da Adina ao de Bonaval realizouse o 25 de maio de 1891. Ese día, como nos conta a prensa, especialmente La Patria Gallega, realizouse a exhumación e traslado a Compostela, á estación de Cornes, na altura concello de Conxo, inaugurada en 1873 e extremo dos 42 kms da liña Cornes-Carril. Ás seis menos cinco chegou a Cornes e ás oito e media fixo entrada en Bonaval: "En la calzada que conduce á esta iglesia, aguardaban al cortejo muchos estudiantes con hachas encendidas, y tendidos en dos filas á lo largo de dicha calzada, ofreciendo un aspecto tan extraño como hermoso, las luces de las hachas brillando entre la multitud". Coa mesma plasticidade que a chegada a Bonaval é descrito todo o percorrido do cortexo fúnebre: quen acompaña, onde vai situado, como vai o cadaleito, as coroas de flores, os discursos en puntos estratéxicos, a xente que se aglomera. "Sobre sencillo túmulo, rodeado de blandones que ceñían lazos de gasa negra, estaba colocado el féretro. En derredor había multitud de coronas de laurel y escalando el catafalco las hermosas artificiales enviadas por la Lliga de Catalunya, por la Sociedad Económica, por el Comité Central regionalista, por los Comités de Orense, Lugo,Vigo y Tuy, por el viudo de la ilustre poetisa señor Murguía, por sus hijas, por el Ayuntamiento de Padrón, por el cuerpo de Bomberos voluntarios, por los señores Martínez Salazar y Carré de la Coruña, por los Escolares de la Universidad gallega, y por el Recreo Artístico de Santiago" , dise nun momento. E chama a atención o cronista sobre "la gran corona de flores naturales, de más de un metro de diámetro, tributo rendido á la memoria de Rosalía por la redacción de la Gaceta de Galicia, y la ofrecida por la Rondalla regionalista, ambas ideadas y compuestas por los jardineros del Municipio y por el de la Excelentísima señora Duquesa de Medina de las Torres, que han sido justamente felicitados". A bandeira No libro Os símbolos da Galiza dise que no 1891 se produce "a exhibición por primeira vez da bandeira galega na translación dos restos de Rosalía desde o cemiterio de Adina a Bonaval". Repítese a información no web da RAG: "A bandeira foi deseñada no ano 1890 polo movemento rexionalista, liderado por Manuel Murguía, e empregada por primeira vez un ano despois con motivo do traslado dos restos de Rosalía de Castro a Santiago de Compostela", dando a entender ademais esta web que esa bandeira foi a mesma que cubriu os restos de Curros en marzo de 1908, posibilidade esta última que non debemos considerar pois sabemos con certeza que esa bandeira, a de Curros, foi custeada pola revista Galicia da Habana e nada ten a ver con esoutra bandeira de 1891. Mais, houbo bandeira en 1891? E se a houbo, cal era, como era? A información que até agora tiñamos sobre a existencia dunha bandeira no traslado dos restos de Rosalía partía de Buenos Aires en 1898, sete anos despois do traslado. Publícaa El Eco de Galicia, de Buenos Aires, sob o título La bandera de Galicia e afirma que transcribe un texto publicado por un xornal de Santiago. "Con este título escribe un periódico de Compostela el artículo siguiente, que con gusto transcribimos". E segue o texto: "Sólo recordamos una solemnidad en que vimos el pabellón gallego desplegado a los vientos: fue cuando aquel puñado de escritores, en unión con la Sociedad Económica, llevaron a cabo la traslación de los restos de la gran Rosalía Castro desde el cementerio de Iria Flavia al templo de Santo Domingo de Compostela. Desde entonces no lo hemos vuelto a ver más". Polas referencias con que comeza o texto ("En estos días de fiestas sacramentales hemos visto en todos los balcones y ventanas de Santiago multitud de colgaduras de diferentes formas, tamaños y colores") podemos deducir que se está a referir ás festas do Corpus de Compostela. Nese ano de 1898 cadraron o xoves 9 de xuño e El Eco de Galicia publica en Buenos Aires o 10 de setembro. Que o artigo foi publicado en Santiago antes que en Buenos Aires corrobórao unha resposta que fai Revista Gallega de A Coruña ao dito artigo no seu número 173, de 3 de xullo de 1898. Deste xeito o texto aludido por Revista Gallega e por El Eco de Galicia tivo que publicarse en Santiago en xuño de 1898, mais non podíamos saber a que periódico compostelán se podía referir e, por suposto, descoñecíamos se o escrito era asinado ou anónimo. Agora podemos pórlle orixe e autoría ao texto. Outras dúas copias, polo menos, ademais da de Buenos Aires foron publicadas na Galiza en xullo de 1898. Unha aparece publicada en El Lucense, diario católico da sexta feira 1 de xullo de 1898. E indica a procedencia: La Gaceta de Galicia. A outra ao día seguinte, 2 de xullo, en La idea moderna. Diario democrático de Lugo, que indica: "La bandera de Galicia. Con este título escribe nuestro estimado colega La Gaceta de Galicia el artículo siguiente, que con gusto transcribimos" . E segue o texto. O texto ten orixe en La Gaceta. Á altura de 1898 La Gaceta está dirixida por Antonio Fernández Tafall, fillo de Manuel Bibiano Fernández, propietario e primeiro director. A razón de por que se publica sete anos despois a nova do uso da bandeira galega en 1891 pode que teña a ver coa vaga de patriotismo que nesa semana de xuño de 1898 enchía os periódicos editados na Galiza debido aos conflitos da guerra hispano-yanki. Se cadra é por iso que se pide que a bandeira galega se vexa, polo menos, durante as festas. O texto ten orixe en La Gaceta. Á altura de 1898 La Gaceta está dirixida por Antonio Fernández Tafall, fillo de Manuel Bibiano Fernández, propietario e primeiro director Tendo en conta os anos transcorridos entre o traslado dos restos e a crónica de La Gaceta de Galicia parece o máis prudente comezar analisando o comentario que fai La Patria Gallega, órgao oficial da Asociación rexionalista que publicou un número monográfico sobre o traslado dos restos de Rosalía a Compostela, traslado conflitivo por moitos motivos como sinala Francisco Rodríguez no artigo Crónica dun traslado conflitivo. E nesa crónica, nalgún momento acta notarial, hai unha única referencia á bandeira: "Después de un coche de respeto, enlutado, sobre el que lucía la hermosísima corona de flores naturales dedicada á Rosalía Castro por nuestro colega la Gaceta de Galicia, corona de un metro de diámetro, y que ha sido, con justicia, objeto de unánimes y entusiastas elogios, seguían Bomberos voluntarios, con su vistoso uniforme y llevando la bandera; los estudiantes de todos los centros docentes de Santiago en masa; directores y redactores de los periódicos locales Gaceta de Galicia, El Pensamiento Galaico, El País Gallego, El Fin del Siglo, y El Ciclón, y representantes de El Obrero de Pontevedra; el Excmo. Sr. Rector de la Universidad; el limo. Sr. Presidente de la Audiencia, la Sociedad Económica y el Recreo Artístico é Industrial en Corporación (La Patria Gallega)". Houbo pois unha bandeira. A única referencia que aparece na prensa do momento é a esta bandeira que portan os bombeiros. Se esta tiña ou non algún parecido coa que en 1898 La Gaceta de Galicia identifica coa bandeira galega, non o sabemos. É posíbel que nos arquivos de Compostela figure algunha referencia a como eran os traxes e as bandeiras dos Bombeiros en 1891. En todo o caso, no regulamento que rexe a creación da Compañía de Bombeiros, en 1865, nada se di sobre uniformes nin símbolos. Houbo pois unha bandeira. A única referencia que aparece na prensa do momento é a esta bandeira que portan os bombeiros Mais algo debían ter para que, 26 anos despois da súa creación, o cronista fale de "vistosos uniformes". Da forma da bandeira nada nos di. En 1891, no traslado dos restos, a redacción de La Gaceta homenaxeou Rosalía cunha grande coroa de flores. En abril de 1892 La Gaceta fala da Bandeira de Galicia coa súa forma actual, tal como figura no deseño do estandarte do Centro Galego da Habana. É ben posible, pois, que o que se di en 1898 fose visto en Compostela en 1891: unha bandeira galega acompañando os restos de Rosalía. |
PRAZA_17232 | O viaduto, de 1,7 quilómetros, tería un custo de 65 millóns, aos que habería que engadir outros 35 para conectalo coa LU-540 en dirección á A-8 e a A-6. Grupos da oposición e parte da veciñanza alertan do dano irreparable que tería a actuación a nivel medioambiental e paisaxístico. | O pasado mes de marzo a Xunta presentou a súa proposta para construír unha ponte sobre a Ría de Viveiro que evite ter que circular polo interior da vila e reduza os atascos que alí se producen, sobre todo no verán. O proxecto inclúe un viaduto de 1,7 quilómetros entre Celeiro e Escourido que custaría 65 millóns de euros, completándose por unha nova estrada de conexión coa LU-540 en Magazos, para dirixirse á A-8 e a A-6, cun investimento adicional de 35 millóns. A ponte formaría parte da Vía de Alta Capacidade Costa Norte, que conectará nun futuro San Cibrao con San Sadurniño a través de Viveiro e Ortigueira. A noticia iniciou un intenso debate na comarca sobre os beneficios e prexuízos de construír unha ponte que partiría en dous a ría, con posicións moi afastadas entre quen sitúan como prioridade a redución dos atascos na vila e a diminución no tempo de viaxe entre San Cibrao e Ortigueira e quen alertan do irreparable dano medioambiental e paisaxístico que provocaría a actuación. A división dáse tamén no espectro político da vila, cun apoio expreso do Partido Popular, dúbidas por parte do Goberno municipal do PSOE (que, con todo, evitou que o pleno municipal se posicionase en contra) e críticas por parte de Son Viveiro, do BNG e dos tres concelleiros non adscritos (anteriormente no BNG), que cualificaron a ponte de "aberración que supón unha nova cancela á ría". Os grupos opostos á ponte propuxeron a convocatoria dunha consulta popular na localidade para coñecer a opinión da poboación sobre a proposta. Tamén se iniciou unha petición online para desestimar o proxecto destacando que "construír esta ponte sobre a ría de Viveiro alterará a contorna natural provocando a súa degradación co consecuente feísmo, a destrución da paisaxe -do todo incoherente co medio natural- e o consecuente impacto ambiental e visual que xerará". A petición engade que a defensa do medio e da paisaxe non entra en contradición "coa necesidade de desconxestionar o tráfico na zona e provela dunha mellor comunicación", pero sinala que "se deben buscar outras solucións viarias posibles, menos drásticas coa contorna e que xeren menor impacto ambiental". "Débense buscar outras solucións viarias posibles, menos drásticas coa contorna e que xeren menor impacto ambiental", di unha petición No que si coincidiron unhas e outras voces é en chamar á prudencia ante un proxecto que de momento non é máis que unha proposta escasamente detallada e que aínda carece dun estudo informativo ou dunha avaliación de tráficos. Neste senso, o BNG acusou a Núñez Feijoo de "provocar o enfrontamento entre a veciñanza de Viveiro", sinalando que a iniciativa "xera un debate baldío sobre un hipotético mega-proxecto que, como tal en sí e dentro do plantexamento da súa inconcreción, non resolve os problemas principais de comunicación e conexión de Viveiro". Tamén se alerta de que o viaduto sería, de momento, "unha ponte a ningures", pois en principio está pensado para formar parte da devandita Vía de Alta Capacidade Costa Norte, anunciada no ano 2001 con data de finalización en 2007, pero completamente estancadas e aínda en proceso de estudos informativos. A raíz deste debate xurdiron outras propostas, que optan por limitar o proxecto a unha ponte entre Vieiro e Magazos (tamén contemplada na proposta da Xunta), cruzando o río Landro, e evitando o impacto na Ría de Viveiro. ViveiroDigital chegou a realizar unha enquisa na súa páxina entre as dúas opcións. Cómpre salientar igualmente que en 2006 existía un trazado consensuado que o Goberno de Núñez Feijoo desbotou en 2010, lanzando unha nova proposta, que contou cunha forte oposición veciñal en Magazos, e co rexeitamento igualmente de Concello e Deputación. |
NOS_42732 | O castro de San Cibrao de Las está situado a un 15 km da cidade de Ourense, nos concellos de San Amaro e Punxín, comarca do Carballiño. É sede do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa da Galiza e é o exemplo mellor conservado das formas de vida castrexas e a súa transformación en época romana e, por este motivo, é un xacemento excepcional. Polas súas dimensións, trátase dun dos castros máis grandes do noroeste e un dos mellor conservados. Xeograficamente, localízase sobre unha ampla cima que domina unha zona granítica na confluencia do río Barbantiño co Miño, e destaca a súa posición elevada no territorio que lle outorga unha gran visibilidade sobre a contorna. | As intervencións realizadas no poboado de San Cibrao de Las As primeiras investigacións do castro realizáronse a principios do século XX, sendo pioneiro Florentino López Cuevillas, que perfilou as principais características do xacemento nas súas primeiras publicacións na revista Nós, continuadas por Xoaquín Lorenzo Fernández nos anos 40. As primeiras intervencións sistemáticas, utilizando metodoloxía arqueolóxica, realízanse entre 1982 e 1984, dirixidas por B. Pérez Outeiriño, e continúan en 1987-88 e 1991 e 1993, a cargo de F. Fariña Busto, coa participación activa do equipo de arqueólogos que colabora co Museo Provincial de Ourense, centradas principalmente na zona da porta este. No ano 2000 retómanse de novo as actuacións no xacemento, promovidas pola Consellaría de Cultura, baixo a dirección dun equipo composto por arqueólogos e restauradores dirixidos por Yolanda Álvarez González, Luís Fco. López González e Miguel A. López Marcos que continuarán as intervencións de forma intermitente até o ano 2016 (2000-2001, 2003-2005, 2007-2010, 2016), campañas nas que se realizan intensos labores de restauración. Un castro do final da Idade do Ferro Os poboados castrexos están delimitados por murallas e fosos e teñen unha superficie media que oscila entre 1 e 2 ha, ocupadas por pequenos grupos dunhas 200 persoas. Este tipo de poboados definen a cultura castrexa durante máis de oito séculos, pero a partir do século II a. C. aproximadamente, aparecen algúns cambios que van transformando este modelo de ocupación do territorio. Un exemplo destas mudanzas é a existencia de grandes poboados como o castro de San Cibrao de Las, que ten unhas dimensións de case 10 ha e unha poboación estimada dunhas 2.000 persoas. Durante un tempo o cando, como e porqué se fundou este poboado foi obxecto de discusións, xa que non se contaba con estudos suficientemente amplos, mais as últimas escavacións realizadas neste século de forma intensiva e apoiadas en numerosas datacións radiocarbónicas achegaron novos datos que permiten coñecer mellor a historia do poboado habitado desde mediados do século II a. C. até o III d. C. Morfoloxía e complexidade do seus sistemas defensivos A configuración xeral do xacemento está vinculada á súa planta ovalada e á existencia de dous recintos concéntricos amurallados. O recinto interior ou croa, de grandes dimensións, non funciona como zona de habitación, pero resulta claro que tanto a súa delimitación como a súa defensa e a súa localización na parte central e máis alta do castro pretenden destacar este espazo comunal asociado a funcións rituais e relixiosas. Para entrar nos dous recintos ábrense só dúas portas en ambas as murallas, dúas ao oeste e dúas ao leste, comunicadas por longas rúas empedradas que van desde o recinto interior até o exterior. O sistema defensivo do castro é complexo e monumental e achéganlle por unha banda protección e por outro unha gran visibilidade na paisaxe. Podemos destacar a existencia de varias liñas de muralla, a exterior de case 2 km de longo e a existencia de elementos con funcións claramente defensivas, como a unión das murallas exteriores nun fondo de saco, a torre vixía o lado sur ou a multiplicación de escaleiras. Outro punto importante son as espectaculares portas que conservan os corpos de garda para o control do paso. A pesar da monumentalidade dos sistemas defensivos, non se documentaron durante os traballos de escavación restos de episodios bélicos no xacemento. As vivendas O espazo recuperado nos traballos de escavación e restauración no xacemento comprende uns 14.000 m2 o que permitiu pór ao descuberto a distribución e as estruturas do castro e poder definir a existencia de dúas fases principais de ocupación, unha anterior á conquista romana e outra posterior. Un novo dato de grande importancia foi coñecer que o castro se construíu dunha soa vez, é dicir, concibiuse desde un principio como un gran poboado descartando a posibilidade dun crecemento paulatino. Este feito confirma o desprazamento dunha gran cantidade de poboación a este punto nun mesmo momento cando se crea o castro. En orixe, construíronse as defensas, o recinto central e as rúas radiais. A zona de vivendas dividiuse nunha serie de parcelas dun tamaño similar (200-230 m2), onde cada familia construíu logo a súa vivenda. Nesta primeira fase, prerromana, cada unidade familiar mantén o seu propio almacén e todo indica que a familia nuclear era a unidade básica e que mantiña o seu carácter autosuficiente, dentro dunha economía campesiña baseada na agricultura e a gandaría. A unidade de ocupación familiar estaba formada por distintas construcións asociadas a un patio ou un espazo semicuberto, por iso é polo que estas vivendas dos grandes castros se denominan "casas patio". A pesar da monumentalidade dos sistemas defensivos, non se documentaron durante os traballos de escavación restos de episodios bélicos no xacemento En San Cibrao de Las, as divisións entre as unidades son moi claras. Cada unidade ocupa unha parcela e ten un único acceso común ao exterior, normalmente a través dun patio. Ningunha estrutura dunha vivenda se encosta a unha doutra familia; é dicir, non se comparten muros de construcións entre distintas unidades e as solucións para as drenaxes son independentes en cada casa. A distribución e orientación das diferentes vertentes dos tellados está suxeita a un coidadoso reparto da auga, tanto para o seu aproveitamento como para a súa correcta evacuación. Dentro do espazo interior de cada vivenda aparecen dependencias que son comúns á maior parte das unidades familiares. Unha estancia dedícase á cociña (de planta circular ou cuadrangular) e conserva sempre os restos dun fogar, acompañado por fornos, grellas e abundantes restos de material de cociña. Ao redor da cociña sitúanse dependencias igualmente de carácter doméstico e adoitan estar ben pavimentadas. Puideron destinarse a vivenda ou para a realización de labores cotiáns, como o tecido ou a moenda, que se poden realizar no interior. Outra das construcións é utilizada como almacén. Son de menor tamaño, de planta circular ou cuadrangular, algunhas veces exentas e cunha soleira mellor preparada e illada cun acceso a maior altura. Aparecen tamén unha ou varias construcións dedicadas a zonas auxiliares de traballo. Son estruturas máis grandes, quizais zonas simplemente semicubertas nalgúns casos. Están dedicadas a talleres, ao almacenamento de ferramentas relacionados con labores agrícolas ou gandeiros ou para animais domésticos. Estas vivendas funcionan como pequenas "factorías" familiares, que se autoabastecen dos produtos básicos para a alimentación nas diferentes épocas do ano, para o vestido, as ferramentas e o coidado xeral da familia como reflicte a existencia dun almacén en cada unidade. As mudanzas no poboado baixo o dominio de Roma Na segunda fase do poboado, San Cibrao de Las pasa a ser un núcleo de poboación baixo o dominio de Roma e as modificacións que experimentaron as vivendas revelan cambios na comunidade que o ocupaba. A escavación rexistra como algunhas unidades desaparecen mentres que outras se reocupan e fanse máis grandes e atopamos tamén unidades moi pequenas. En xeral obsérvase unha desigualdade nos espazos de vivendas que non existía na primeira fase así como a desaparición do almacén familiar. Os materiais documentados no castro asócianse a producións locais de carácter doméstico e son moi similares tanto os ligados á primeira fase como aos da segunda. Estes elementos non mudan e son basicamente iguais, tanto no que respecta ás formas cerámicas, tipoloxías de materiais de bronce, contas, fusaiolas etc. A única diferenza é que nas vivendas ocupadas na época romana aparecen escasos, pero significativos, materiais romanos, especialmente pezas de vaixela de mesa que serviron para poder datar estas ocupacións acordes á súa vez coas datacións radiocarbónicas obtidas. Na fase romana aparecen elementos de escultura e arquitectura, e mesmo unha das únicas pezas pintadas de toda a cultura castrexa, representativos desta sociedade en transición. O xerme da sociedade provincial galaico-romana En relación á fundación deste gran castro que é San Cibrao de Las, podemos destacar que non hai indicadores no rexistro arqueolóxico que permitan relacionar o seu tamaño cunha xerarquización do poboamento. Non apareceron diferenzas no seu rexistro con outros núcleos castrexos coetáneos e non hai probas nin de centralización produtiva nin comercial nin política. Todo o que aparece é similar ao que se documenta nun asentamento castrexo prerromano. Doutra banda, non cabe dúbida de que a organización do poboado de San Cibrao agrupa unha poboación moito maior e, por tanto, houbo de ser máis complexa e necesitou de espazos comúns e prácticas para cohesionar unha sociedade que non podía xa responder o marco campesiño e igualitario dos poboados tradicionais máis pequenos. Neste momento a esfera simbólica, relixiosa e os ritos colectivos puideron entón xogar un papel destacado e requirir un espazo dedicado a estas actividades comunais, o que estaría relacionado coa aparición do recinto superior. Roma favoreceu as familias que xa tiñan unha mellor posición ou maior prestixio dentro da comunidade indíxena Nestas novas relacións sociais que xera o funcionamento dun "gran castro", e nun período de conflito como o da conquista, é onde puideron aparecer desigualdades sociais, que o poder romano manipulou para consolidar grupos de poder locais. Na segunda fase de San Cibrao de Las este proceso tomou forma e adoptáronse linguaxes e formas de representación propias do mundo romano, como a epigrafía votiva que apareceu no recinto central. Nos grandes castros apréciase a disolución da sociedade castrexa, pero tamén se atopa o xerme da sociedade provincial galaico-romana. Roma favoreceu as familias que xa tiñan unha mellor posición ou maior prestixio dentro da comunidade indíxena, utilizándoas para controlar o resto da poboación, creando deste modo diferenzas sociais que antes non existían nos castros prerromanos. As dúas fases da ocupación de San Cibrao de Las así o ilustran. |
NOS_25764 | A Deputación coruñesa aumenta en 15,6 millóns de euros a súa partida para a área social nos Orzamentos 2021 | A Deputación coruñesa incrementa o investimento nos seus programas sociais para 2021 en 15,6 millóns de euros. A Administración pasa así de 11,8 millóns a 27,4 millóns de euros na partida para a área social dos Orzamentos deste ano para facer fronte ás consecuencias da pandemia entre os colectivos especialmente vulnerábeis e as familias con menos recursos. "En 2021 imos facer a maior aposta social da historia da Deputación" afirmou o presidente, Valentín González Formoso. Ademais, destacou que as políticas de emprego, reactivación económica e axudas aos sectores máis afectados polas consecuencias da pandemia serán, xunto coa área social, "as prioridades absolutas durante este ano". Un plan único máis social O principal programa de investimentos da Deputación, o Plan Único, incrementa o seu orzamento incial de 47,2 a 64,6 millóns de euros e adáptase á dificil situación actual, incorporando un "fondo social" de 14 millóns de euros que se destinarán en exclusiva ao gasto social. Así, "un de cada cinco euros do Plan Único de 2021 destinarase a reforzar os programas de protección social dos colectivos máis vulnerábeis, para non deixar ninguén atrás na saída desta crise", indican desde a Administración. O plan de apoio aos servizos sociais municipais, que conta cunha partida de 8 millóns, permitirá "contratar preto de 200 profesionais da área social nos municipios e financiar arredor de 300.000 horas de servizo de axuda no fogar". O servizo de Teleasistencia verase reforzado cun orzamento de 720.000 euros, xa que durante a pandemia experimentou un importante incremento do número de usuarias, que supera as 2.700 persoas. |
NOS_9636 | Após o período vacacional, Sermos Galiza sae esta quinta feira ao reencontro coas súas leitoras e leitores co súa entrega número 128. | 2015 ten dúas citas riscadas en vermello. As municipais de maio e as xerais do inverno, aínda por fixar (neste último caso, Rajoy podería xogar a carta, improbábel de as adiar até xaneiro de 2016). En calquer caso, imos vivir un ano moi intenso no político e no partidista, con incógnitas moi relevantes por despexar, entre elas a capacidade de resistencia do partido no goberno, un PP que a día de hoxe detenta a maior cota de poder institucional da historia. Ese será o argumento central do Sermos Galiza 128, un número que tamén lle emprestará atención preferencial á situación do galego, tema dunha conversa en profundidade entre o director do meio, Xosé Mexuto, e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. Hai máis: a desatención que sofren as persoas que padecen a hepatite C, a situación de Astano após o fin virtual do veto ou o colapso que se vive no sistema hospitalario en Vigo son outros dos asuntos sobre os que nos debruzamos nesta nova entrega do único semanario en lingua galega. Por suposto, o número incluirá as súas seccións habituais, desde o Espía nos Quiosques até Viaxes na Miña Terra. Tamén como de costume o Sermos estará xa esta noite a disposición de leitoras e leitores, en formato pdf, na nosa loxa. |
NOS_51586 | O alcalde afirma que a situación do lume é "complicada" ao rodear a parroquia de San Cristovo. | O lume sen control iniciado na tarde desta cuarta feiras no concello ourensán de Cualedro --parroquia de San Millao-- obrigou a desaloxar a varios veciños no limítrofe municipio de Monterrei, ao ameazar casas na parroquia de San Cristovo. A última estimación da Consellería de Medio Rural é de 300 hectáreas arrasadas. Fontes da Garda Civil indican a Europa Press que se desaloxou "todo o pobo" de San Cristovo, que é duns 60 veciños. O lume obrigou a activar a Situación 2 pola proximidade ás casas. Con todo, o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez, indica a Europa Press que o desaloxo foi "só de catro ou cinco vivendas máis preto do lume, pero non todo o pobo de San Cristovo". Así, o rexedor apunta que a situación é "complicada", porque o lume "chegou a San Cristovo e fixo como dúas cabezas, desdobrouse, unha dirección cara a Magdalena e Flariz, e outra cara a dirección Medeiros", polo que "deixou a San Cristovo rodeado". Todo iso, nunha xornada de alto risco de incendio, con alerta amarela na provincia de Ourense polas altas temperaturas. A isto únese que "de súpeto volve levantar o vento" despois de parar. Nos traballos de extinción participan, entre outros, 11 helicópteros, 11 avións, 15 brigadas, cinco axentes, cinco motobombas e dúas pas. Precisamente, no concello de Monterrei permanece controlado o maior incendio do ano --de 720 hectáreas-- en Galicia. Iniciouse na parroquia de Flariz, cara a onde avanza o incendio deste mércores. Até o lugar trasladouse o conselleiro de Medio Rural, José González, quen explica que agora a "situación está máis tranquila". Con todo, quéixase de que "o problema" é que os incendios "se concentran en tres ou catro comarcas" en Galicia, e "hoxe tocou Cualedro". Así, pide aos veciños que se achegue "calquera dato por pequeno que pareza", pois "pode axudar na investigación". Imprimir |
PRAZA_7397 | Canda á Xunta estas Deputacións empoderadas constituirán unha caste de xurisdicións exentas, en directa conexión cos Ministerios, extremando deste xeito as contradicións entre Poder galego e Deputacións | Semella que Rueda non percibiu ou non quere percibir, mais PP, PSOE e a Federación Española de Municipios e Provincias teñen aquelada xa unha nova Lei básica local, coas excepcións que cumpran a respecto de Euskadi e Navarra e mesmo de Catalunya, que goza en virtude do seu novo Estatuto da plenitude competencial no eido local. Nós tamén poderíamos tela, evitando o dano que nos vai xerar a reforma local que nos ven enriba, se Feijóo tivese sido abondo patriota para aprobar, a primeiros do 2007, o novo Estatuto que os tres grandes partidos de entón tiñan pactado no Parlamento. Velaí ven a extrema potenciación das Deputacións, que asumirán os servizos públicos dos concellos de menos de 20.000 habitantes Ben, Deus nos libre dun xa foi. Pero velaí ven a extrema potenciación das Deputacións, que asumirán os servizos públicos dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Xa que logo, impediráselles aos pequenos concellos desenvolver políticas propias en benestar social, para unificar dende o nivel estatal (vía provincias) a xestión e prestación dos servizos, mesmo a colaboración e participación privada nos mesmos. Teremos máis centralización da contratación pública local nas Deputacións, menos autonomía municipal e menos calidade na prestación dos servizos Cara á Xunta estas Deputacións empoderadas constituirán unha caste de xurisdicións exentas, en directa conexión cos Ministerios, extremando deste xeito as contradicións entre Poder galego e Deputacións Cara á Xunta estas Deputacións empoderadas constituirán unha caste de xurisdicións exentas, en directa conexión cos Ministerios, extremando deste xeito as contradicións entre Poder galego e Deputacións. E marcando o proxecto político-territorial do PP, que tentaría reconducir o autogoberno galego a unha caste de Mancomunidade de Deputacións. Proxecto que sería común a todos os territorios do Estado, agás Euskadi, Catalunya, Navarra e as Illas Baleares e Canarias. A potenciación das Deputacións multiplica os riscos de corrupción, afasta a xestión da cidadanía e garante que a burocracia bipartidista (PP-PSOE) sigan a gozar de milleiros de cargos inútiles. Mais o que resulta verdadeiramente grave é a inacción do PPdeG e do PSdeG (se é que aínda se lles pode alcumar con esas siglas) diante dunha das peores agresións ao autogoberno galego, á autonomía local e á extensión e calidade dos servizos públicos desde que aprobaron o Estatuto deste País. A arrincadeira: O alcalde compostelán ha dimitir A xestión municipal do PP compostelán está a fanar moi gravemente o prestixio desa capital tan universal. A imputación atinxe ao núcleo esencial da contratación administrativa municipal. Xa que logo, sen prexuízo da presunción da súa inocencia no ámbito xurídico-penal, Currás ha dimitir, |
NOS_26631 | Cun acto nacional no Panteón de Galegos Ilustres no día 24 de febreiro, data do seu nacemento, rematará un fin de semana que a Asociación de Escritores e Escritoras (AELG) dedicará a Rosalía de Castro. Convidan a agasallar un libro e unha flor no seu aniversario. | A AELG fixo público o calendario de actividades para o mes de febreiro, na fin de semana na que se conmemora o aniversario de Rosalía de Castro, nun ano especial no que fan 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, que definen como "o primeiro libro íntegro monolingüe do renacemento da nos aliteratura culta". Serán tres xornadas para rememorar Rosalía, a primeira delas, desde os centros de ensino, para o que a asociación literaria propón a organización de lecturas e gravacións audiovisuais arredor de poemas de Cantares Gallegos por parte do alumnado. Ofrecen o seu espazo web como plataforma de difusión dos actos.Para o sábado 23, a AELG anima a desenvolver lecturas poéticas da obra de Rosalía en cidades e vilas a partir das sete da tarde, nun acto no que tamén se poderá difundir o manifesto da asociación elaborado para a conmemoración. Será o preludio do acto nacional que terá lugar o día 24 ás 12 horas no Panteón de Galegos Ilustres en Compostela no que se homenaxerá á poeta con poemas e unha ofrenda floral. Convida tamén a AELG a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía de Castro, recollido como Día de Rosalía no Calendario do Libro e da Lectura que publicou a Consellería de Cultura e Educación.Xunto coas actividades organizadas pola AELG, a entidade colaborará con distintas asociacións e colectivos nos actos de recoñecemento e homenaxe á que consideran unha "escritora fundacional". |
NOS_41373 | Partidos nacionalistas e Podemos piden investigar o rei emérito. O pago de 678.393,72 euros á Axencia Tributaria co obxectivo de evitar a acción da xustiza por parte de Juan Carlos I segue centrando o debate. | O pago de 678.393,72 euros á Axencia Tributaria co obxectivo de evitar a acción da xustiza e o conseguinte recoñecemento de irregularidades financeiras por parte do rei emérito, Juan Carlos I de Borbón, continúa no centro do debate político no Estado español. Hoxe mesmo, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, saíu en defensa da institución monárquica, mentres os seus parceiros do Executivo, Unidas Podemos, presentaron unha solicitude para investigar o uso das tarxetas de crédito de orixe opaca polo monarca após a súa abdicación. Ao tempo, organizacións políticas nacionalistas de Catalunya, Euskal Herria, Galiza e Valencia e Más País rexistraron outra petición para constituír unha comisión de investigación parlamentaria sobre as irregularidades financeiras cometidas polos membros da Familia Real. Pedro Sánchez escusou o actual monarca, Felipe VI, por gardar silencio en relación coas irregularidades contábeis que afectan os reis eméritos, sinalando que "en moitas ocasións as explicacións achéganse cos feitos. E Felipe VI deu unha imaxe de exemplaridade, actualizando unha institución como a Coroa a unha sociedade do século XXI". O presidente do Executivo, fiel ao seu guión de desvincular o monarca dos seus pais, puxo de manifesto que "non se xulga a institución, xúlgase a persoa, o anterior xefe do Estado. Ese é o espírito da Constitución. A chave é que hai unha crise sen precedentes en 100 anos e as institucións teñen que ser fortes e estábeis. Reivindiquemos a Constitución, o pacto constitucional e a monarquía parlamentaria". A solicitude de investigación parlamentaria de Unidas Podemos tenta aclarar o uso polos reis eméritos das tarxetas de crédito opacas, cuxos fondos proceden das achegas do empresario mexicano e antigo presidente do banco de investimentos Goldman Sachs no Estado, Sanginés-Krause. Así, desde a formación morada queren determinar "se don Juan Carlos de Borbón e dona Sofía de Grecia, como indican as actuacións iniciadas pola Fiscalía Anticorrupción, usaron entre os anos 2016 e 2018 tarxetas opacas con contas situadas no estranxeiro" e "se mediante estas tarxetas se pagaron abondosas contías de diñeiro en gastos propios e outros membros da familia real". Néstor Rego A proposta de Unidas Podemos parécelle insuficiente ás forzas nacionalistas de Catalunya, ERC, Junts e CUP, a EH-Bildu, a Compromís, Más País e BNG. Neste sentido rexistraron unha solicitude para pór en marcha unha comisión de investigación, que, en palabras do portavoz do BNG, Néstor Rego, pretende "investigar as presuntas ilegalidades detectadas pola fiscalía anticorrupción do Estado, que tería encontrado indicios de presuntos delitos nos que estaría implicado o rei emérito relacionados co branqueo de capitais, cobros de comisións e fraude fiscal na contratación da segunda fase da construción da liña de ferrocarril de AVE que une as cidades de Medina e A Meca, en Arabia Saudita". Os asinantes desta iniciativa solicitaron tamén a comparecencia da ministra de Facenda, María Jesús Montero, para explicar a presunta trama fiscal do re emérito. "É unha cuestión de hixiene democrática que se poida investigar no ámbito parlamentar a realización de todo tipo de prácticas corruptas por parte dos Borbóns", concluíu Rego. |
PRAZA_220 | Só o 2% das baixas por maternidade concedidas en Galicia durante 2014 foron compartidas polos dous membros da parella. Unhas 11.000 galegas traballan a tempo parcial para coidar membros da súa familia mentres que só 600 homes se atopan nesta situación. | Un coidado en feminino e en aumento. A combinación de recortes e regresións lexislativas permitiu, nos últimos anos, o fortalecemento da división sexista do traballo e a concentración practicamente total das tarefas de coidado familiar nas mans das mulleres. Co peche do exercicio económico de 2014 a Seguridade Social vén de facer públicos os seus datos anuais de excedencias e baixas de maternidade e paternidade. Como en estudos anteriores, os indicadores amosan ás claras que as mulleres seguen sendo as principais responsables de coidar da familia, xa sexa das fillas e fillos ou doutras persoas, ata o punto de que nove de cada dez excedencias por coidado concedidas en Galicia durante 2014 foron de traballadoras. Estas excedencias por coidado familiar foron un total de 699 en territorio galego no ano que vén de rematar e case 40.000 en todo o Estado. Das excedencias galegas unha amplísima maioría, 630, corresponderon a mulleres mentres que as 69 restantes foron de homes. Isto sucede nun contexto no que este tipo de excedencias foron 34 máis que en 2013, un incremento do 5,11% que, así e todo, está por baixo da media estatal, que superou o 14%. Só o 2% das baixas por maternidade concedidas en Galicia durante 2014 foron compartidas Unha fotografía semellante é a que ofrece a distribución das prestacións por maternidade, isto é, as que se conceden ás familias con novas fillas e fillos, xa sexan biolóxicos ou a través dunha adopción e que poden ser compartidas polos dous membros da parella. Ao longo do pasado ano a Seguridade Social tramitou 14.279 destes procesos en Galicia e unicamente en 305 casos, o 2%, a baixa foi compartida polo home. Así, mentres que o conxunto das prestacións por maternidade baixaron algo máis dun 4% en conxunto as compartidas descenderon máis dun 7%. No caso das prestacións por paternidade tramitáronse algo máis de 11.000, cun descenso interanual de case o 2%. Estes indicadores veñen ratificar o xa amosado por outros estudos en anos anteriores, caso por exemplo da análise das reducións de xornada realizada polo Instituto Galego de Estatística no ano 2013, no que se amosaba que as galegas que se acollen a este tipo de prestación triplican aos galegos que fan o propio. Do mesmo xeito, e nun contexto de tesoiradas xerais ao despregamento da Lei de Dependencia, o INE amosa que en torno ao 95% das persoas que teñen un traballo a tempo parcial para coidar persoas dependentes son tamén mulleres. Asemade, a Enquisa de Poboación Activa certifica que a finais de 2014 unhas 11.000 galegas non podían traballar a xornada completa por teren que coidar "nenos ou de adultos enfermos, incapacitados ou maiores", mentres que unicamente 600 homes estaban nesta situación. |
PRAZA_20171 | ENTREVISTA | A Deputación da Coruña presentou o proxecto que afonda na represión que o franquismo exerceu contra os alcaldes e concelleiros da provincia, unha listaxe de 300 nomes de cargos públicos asasinados, exiliados ou encarcerados. Falamos con Emilio Grandío, director da investigación | A Coruña contaba con 94 concellos en 1936. Nos días e semanas que seguiron ao Golpe de Estado, 14 dos alcaldes foron asasinados (máis outras catro persoas que foran rexedores nos anos anteriores) e outros 32 tiveron que fuxir ou exiliarse, foron encarcerados ou sancionados. 72 concelleiros foron igualmente asasinados. Son as cifras que atopamos no proxecto Xeración Perdida. Representatividade institucional republicana e represión na provincia da Coruña, impulsado pola Deputación e levado a cabo polo grupo HISPONA (USC) baixo a dirección do profesor Emilio Grandío. Os primeiros resultados desta investigación foron presentados este mércores na sede da Deputación pola súa vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei, e polo propio director do proxecto. Goretti Sanmartín lembrou que a iniciativa continúa o ronsel aberto pola homenaxe ás corporacións democráticas que a institución levou a cabo o verán pasado. "Manexabamos unha primeira listaxe mais detectamos a ausencia dun estudo profundo e rigoroso que botase luz sobre as corporacións que foran asoladas pola represión fascista", explicou a vicepresidenta, que sinalou que espera que o proxecto se converta nunha "importante ferramenta que se pon a disposición dos concellos para que poidan facer homenaxes e restituír a memoria de quen nos precedeu nas corporacións municipais que merecen ser lembrados e recoñecidos despois de décadas de silencio". Sanmartín fixo especial mención á figura da concelleira de Boiro, Brígida Muñiz, a única muller que aparece na listaxe mais que convida a reflexionar "sobre unha represión aínda máis oculta que é a de todas as mulleres que, coma ela, foron rapadas e humilladas e viron a súa vida truncada despois do golpe militar". Na web da Deputación pode consultarse esta primeira base de datos, cos nomes dos 300 alcaldes e concelleiros que sufriron a represión franquista (entre eles Enrique Rajoy Leloup, avó de Mariano Rajoy), 90 deles directamente asasinados. "Tivemos que baleirar arquivos de toda a provincia. O primeiro problema a resolver consistía en saber quen eran os concelleiros en 1936, algo que en moitos concellos era descoñecido ata agora", destaca Grandío subliñando as dificultades que o equipo que dirixe atopou para identificar as corporacións municipais republicanas, sobre todo nas localidades máis pequenas. A base de datos completarase, ao final do proxecto, coa reconstrución completa das 2.500 persoas que compuñan as corporacións municipais anteriores a 1936 e coas fotografías de moitas delas, nun arquivo para o que se recompilaron xa 150 imaxes. "Neses primeiros meses, unha parte da represión busca sobre todo a anulación de toda resistencia" "Queríamos contestar o tópico de que a represión se facía exclusivamente por motivos ideolóxicos. Estes eran moi importantes, por suposto, pero tamén había motivos militares e de control social. Neses primeiros meses, unha parte da represión busca sobre todo a anulación de toda resistencia. O obxecto da represión son sobre todo as corporacións municipais da Fronte Popular, que sofren o 80% de todos os actos de represión contra representantes públicos. Pero ese outro 20% non se pode entender sen outras explicacións", explica Grandío. "Os representantes municipais eran un elemento simbólico da República, do sistema anterior, daquilo contra o que se dá o Golpe. Despois dos Gobernadores Civís, o símbolo máis importante eran os alcaldes, e despois os concelleiros", di. Analizando os datos, vemos como a represión foi especialmente dura en determinadas comarcas, sobre todo do norte da provincia. "Nas comarcas de Eume, Ortegal e Ferrol a represión foi especialmente forte [10 alcaldes ou ex-alcaldes asasinados]. En xeral, a costa sofre máis a represión que o interior, pero hai que ter en conta un feito engadido: a provincia da Coruña foi dividida en tres subdelegacións de orde pública, unha con centro en Santiago, outra con centro na Coruña e outra con centro en Ferrol, e nesta última a represión contra os representantes democrático tivo moita maior intensidade e cremos que isto foi debido a unha intervención determinada desa estrutura de orde pública", destaca Grandío. O historiador destaca o fondo efecto social que tiveron os asasinatos e outro tipo de castigos infrinxidos aos representantes públicos republicanos, así coma as consecuencias que o golpe dado a esta xeración tivo para o futuro das súas localidades: "Hai que ter en conta que as persoas represaliadas nestas corporacións pertencen a unha franxa de idade moi nova, entre os 20 e os 40 anos. Máis aló de cuestións ideolóxicas, era a xeración máis activa, con maior capacidade de traballo, de innovación, de achegar cousas novas. E esa xeración quedou anulada, ben totalmente, a través da súa morte, ben a través doutras fórmulas de represión, contra eles e as súas familias. E, ademais, provocouse un efecto paralizante no resto da sociedade. A consecuencia foi que a compoñente de modernización que lograra a República quedou totalmente castrada". "As persoas represaliadas nestas corporacións pertencen a unha franxa de idade moi nova, entre os 20 e os 40 anos. Máis aló de cuestións ideolóxicas, era a xeración máis activa, con maior capacidade de traballo, de innovación, de achegar cousas novas" O traballo, coordinado por Emilio Grandío, foi realizado por un equipo formado por Eliseo Fernández Fernández, Alfonso Iglesias Amorín, Rosalía Regueiro Méndez e Manuel Pérez Lorenzo e que contou tamén coa colaboración de destacados coñecedores da historia local como Juan Sobrino (Eume), Manolo Pazos (Ordes), Henrique Sanfiz (Fene), Carlos Castro (Neda), Bernardo Máiz (Ferrolterra), Xoán Hermida (Barbanza), Xesús Torres (zona de Betanzos), Xosé Luís Rivas (Boimorto) e Luís Lamela (Costa da Morte). O grupo destaca que as persoas que queiran achegar máis información sobre este tema poden empregar o enderezo electrónico [email protected]. Representantes municipais asasinados "Nas comarcas de Eume, Ortegal e Ferrol a represión foi especialmente forte [10 alcaldes ou ex-alcaldes asasinados]" Alcaldes asasinados: Juan Manuel Vidal García (Arzúa), Tomás López Datorre (Betanzos), Álvaro Puentes Antón (Cabanas), Manuel Fernández Freijeiro (Cedeira), Alfredo Suárez Ferrín (A Coruña), Ramón Souto González (Fene), Cipriano Fernández Brage (Fisterra), Jesús Castaño Galdo (Mañón), Pablo Rico Couceiro (Monfero), Juan Prieto Balsa (Mugardos), Antonio Fernández Pita (Sada), Ángel Casal Gosende (Santiago), Alejandro Porto Leis (Serantes), Antonio Iglesias Corral (Vilasantar). Ex-alcaldes asasinados: José López Lourido (Ares), José Novo Rodríguez (Betanzos), Jaime Quintanilla Martínez (Ferrol), Alfonso de Cal y Fernández (Valdoviño). Alcaldes represaliados doutro xeito: Benito Feijóo Seguín (Ares, exiliado), Eduardo Martínez Palleiro (Arteixo, encarcerado), Ramón Beade Méndez (Betanzos, encarcerado), Pedro López Bodelo (Boimorto, encarcerado), Andrés Arnoso Calvo (A Capela, procesado), José Monteagudo Rodríguez (Carballo, encarcerado), Eduardo Valdés Pardo (Carral, sancionado), Arturo Vila Moure (Coristanco, exiliado), José Louzán Martínez (Culleredo, exiliado), Benjamín Núñez Sanmartín (Curtis, procesado), Antonio Santamaría López (Ferrol, exiliado), Ramiro Suárez Moreno (A Laracha, exiliado), José Filgueira Pérez (Lousame, fuxido), José Sande Lois (Malpica, fuxido), Antonio Gómez Carneiro (Mesía, encarcerado), Ricardo Pérez Medín (Miño, exiliado), Manuel Tobío Romaní (Muros, procesado), José Veloso Mayo (Muros, procesado), José Agrelo Puertas (Muxía, sancionado), Germán Vidal Barreiro (Noia, exiliado), Severino Iglesias Siso (Noia, procesado), Avelino Rico Suárez (Oroso, encarcerado), Alfredo Rebollar Martínez (Ortigueira, encarcerado), Marcial Villaverde Viqueira (Oza dos Ríos, encarcerado), Antonio Pérez Gómez (A Pobra do Caramiñal, fuxido), Joaquín Cousillas Collazo (Ponteceso, exiliado), Manuel López Seijo (Pontedeume, procesado), José Fernández Bermúdez (Ribeira, procesado), Jesús Mariño N. (Porto do Son, encarcerado), Frutos Burgos Ramos (Valdoviño, exiliado), José Alborés Gándara (Vimianzo, encarcerado), Jorge Varela Rial (Zas, encarcerado). Concelleiros asasinados: Manuel Vidal Pardo (Abegondo), Benito Gómez N. (Ares), Bernardo Miño Abelenda (Betanzos), José Tojo García (Boimorto), Ramón Vázquez Garea (Boimorto), Manuel Espiñeira López (Boimorto), Antonio Felpete Budiño (Boimorto), José Barreiro Pérez (Boimorto), Juan Martínez Bao (Boimorto), Ramón Enjamio Pombo (Boimorto), Ramón Sánchez Rapela (Boimorto), Rodrigo Álvarez Gantes (Boiro), José Caballero Rubio (Boiro), Juan Francisco Outeiral Outeiral (Boiro), Manuel Brión Suárez (Boiro), Joaquín Rodríguez Rodríguez (Cabanas), Manuel Buhigas Novo (Cabanas), Juan Pereira Maceiras (Cabanas), Jacinto Campaña Martínez (Camariñas), Luciano Costa García (Cambre), José Pérez Ferreño (Cambre), José Regueira Vila (Carballo), Jacobo Caramelo Alonso (Carral), José Mosquera Rivas (Carral), José Cipriano Durán Fraguela (Cedeira), Jesús Lourido Arriví (Cedeira), José Vergara López (Cedeira), Nicasio Pérez Senra (Cedeira), José Lago Beceiro (Cedeira), José López Teijeiro (Cedeira), Jesús Chouza Filgueiras (Cee), Martín Ferreiro Álvarez (A Coruña), Andrés Iglesias Garrote (Fene), José Agras Gómez (Fene), Eduardo Barcia Rodríguez (Fene), Eugenio Casal Vila (Fene), José Pita Pita (Fene), Manuel Morgado González del Valle (Ferrol), José López Bouza (Ferrol), Obdulio López Acea (Irixoa), Nicanor Villar Martínez (Mazaricos), José Tenreiro López (Miño), Juan Pico González (Monfero), Benito Souto Corral (Monfero), Andrés García Marcos (Monfero), Antonio Eytor Canizo (Mugardos), Ramón Ríos Sordo (Mugardos), Victoriano Rascado Souto (Mugardos), Juan Rey Pena (Mugardos), José López Leira (Narón), Luis Pita Armada (Ortigueira), Manuel Breijo Lorenzo (Ortigueira), Narciso Polo Paz (Ortigueira), Aureliano Correa Jamardo (Padrón), Eduardo Castroagudín Pérez (Padrón), Luis Nodar Castro (Pontedeume), Manuel Ramos Fernández (As Pontes), Francisco Guerreiro Guerreiro (As Pontes), Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo), José Germán Fernández (Santiago), Constante Liste Forján (Teo), Reinaldo Sarria Delgado (Valdoviño), José Ambrós Gordillo (Valdoviño), Albino Dopico Gutiérrez (Valdoviño), Manuel Varela González (Vilarmaior), José María Varela Salido (Vilarmaior), José Caamaño Lema (Vimianzo), Manuel Alborés Gándara (Vimianzo). Podes consultar aquí a base de datos |
NOS_5646 | O sector acusa ao goberno de Núñez Feijoo de paralizar e recortar o programa de Contratos de Explotacións Sustentables do que dependen miles de granxas galegas | A xestión dos Contratos de Explotacións Sustentables (CES), un proxecto impulsado polo BNG no seu paso pola Consellería de Medio Rural, enfronta a labregos e gandeiros coa Xunta. A Federación Rural Galega (Fruga) acusa ao goberno de Alberto Núñez Feijoo de "mentir e faltarlle o respecto ao sector" por anunciar novas axudas que, en realidade, son pagos atrasados de 2011 e 2012. A Fruga denuncia que a chegada do PP á Xunta significou a paralización unilateral do programa, destinado ao uso sostible das terras agrícolas, e que os expedientes xa iniciados, que non se poden anular, sufriron numerosos recortes. A federación recorda que dende 2010 non se tramita ningún novo contrato, cando se sumaron as últimas 850 explotacións logo dunha denuncia ante o Valedor do Pobo. Labregos e gandeiros consideraron o recente anuncio da Consellería de Medio Rural como "dunha torpeza e dun desprezo absoluto" cara o sector de vacún galego, principal receptor das axudas. A Xunta arrogouse a transferencia de máis de 12 millóns de euros a casa 4.000 explotacións galegas correspondentes aos anteriores dous anos, aínda impagados no seu conxunto, e a pesar de que acumular atrasos en pagos de 2009. "A eliminación do CES faise máis incomprensible sabendo que o 57,56% destas axudas son financiadas por fondos comunitarios, e o 42,44% restante son completados con fondos da Xunta e do Ministerio de Medio Ambiente a partes iguais", apunta a Fruga nun comunicado. Unha situación que impedirá ao rural galego recibir fondos europeos para un programa que, segundo recoñecen, "é unha peza clave para o mantemento da viabilidade económica de moitas granxas galegas". |
PRAZA_13341 | Os conservadores galegos aseguran que estarán "dispostos" a investigar as antigas Caixa Galicia e Caixanova e a súa resultante, Novacaixagalicia, cando Novagalicia Banco estea "capitalizada" nun debate marcado polo rescate | "Quen tomou as decisións?", "como e cando se incrementaron os plans de pensións?", "cando se soubo que as cousas ían mal?". Son algunhas das preguntas que, de novo, volveron saír este martes no pleno do Parlamento vinculadas, unha vez máis, ás antigas Caixa Galicia e Caixanova, ao seu proceso de fusión e ao actual estado de Novagalicia Banco. Por enésima vez os grupos da oposición, desta volta o PSdeG, reclamaron poñer en marcha unha comisión de investigación sobre as caixas e, de novo, o Grupo Popular asegurou estar a favor, pero votou en contra por non considerar oportuno o momento. No penúltimo pleno do período de sesións -e quizais, da lexislatura- o PP freou unha moción socialista tras non aceptar a súa autora, María José Caride, unha emenda para non activar a comisión de investigación de maneira inmediata, senón cando o "proxecto" de NCG Banco estea "suficientemente capitalizado e sexa viable". Porque, e niso "si coincide" o voceiro popular, Pedro Puy, "é unha operación importante para o país", para "manter Galicia no mapa financeiro" do Estado. "Antes de coñecer o pasado o máis importante é garantir o futuro de Galicia" e, polo tanto, "o da entidade financeira". Puy: "Antes de coñecer o pasado o máis importante é garantir o futuro da entidade" O PP, abonda Puy, adía a comisión de investigación "por responsabilidade", pero "non por falta de ganas de saber o que pasou" nun período temporal que, non obstante, cingue a "2006, 2007" e, en xeral, ao "tempo da expansión inmobiliaria". "Ningún problema" en investigar, reitera, pero si "en prexudicar a evolución" do proceso de capitalización, agora en boa medida pendente do rescate solicitado polo Goberno de España ao Eurogrupo. E foi precisamente o rescate o gran convidado do debate, pola banda socialista e, sobre todo, pola do BNG. "Que pasa co futuro de Novagalicia Banco" tras o rescate?, cuestionou Caride, lembrando que o ministro De Guindos "afirmou que Bankia tería toda a axuda que precisase, polo tanto os socialistas lle pedimos exactamente o mesmo" e neste punto houbo acordo entre PSdeG e PP. Tamén cómpre abordar e solucionar "o problema das preferentes e para isto a Xunta debe colaborar coa fiscalía", punto da moción aprobado por unanimide. Pero alén destes puntos concretos, a visión do acontecido a pasada fin de semana foi antagónica entre a oposición e o grupo que sustenta ao Goberno. Aymerich: "Non é un rescate, é un roubo e un golpe de Estado en toda regra" "Pasamos de 'non vai haber rescate' a un presidente ausente cando toda España estaba esperando a ver que pasaba coa banca e co rescate", sinalou Caride. Quen foi máis alá foi o voceiro do BNG, Carlos Aymerich, en cuxa opinión xa non se trata de falar de "rescate, intervención" ou "póliza de crédito cómoda", senón de "roubo" ou directamente de "golpe de Estado en toda regra". E por iso cómpre "investigar aos delincuentes, porque isto é un roubo" e "porque a xente vai ter que pagar dúas veces un buraco que eles non crearon". A "axuda só para a banca" vai traer aparellada, augura o nacionalista, "condicionalidades macroeconómicas", na liña do que "acaba de dicir a señora Merkel", "e vai haber troika" e, polo tanto, vai haber novos recortes, argumenta. Isto, augura, vai derivar en novas protestas sociais que "non se poden reducir", salvo que "nos poñan un goberno de técnicos e enchan isto de antidisturbios que lle digan á xente 'estean calados mentres os devolvemos á Idade de Pedra". Por este motivo, conclúe, en Galicia é necesario comezar por investigar as antigas caixas e, tras o rescate, "o mínimo" é que os cartos comunitarios sirvan para converter NCG Banco "nun banco público e galego". Para o PP, di, a banca pública "non é eficiente nin viable". "É moito máis eficiente o modelo Rato" ou "o modelo das caixas galegas, tendo ex dirixentes dos seus partidos nos órganos de dirección, deixando facer ata que rebenta nos fuciños". |
NOS_21840 | Traballadores do naval e comunidade educativa marchan xuntos en Ferrol porque "a situación é a mesma". | En Ferrol, a mobilización educativa contra a LOMCE contou co apoio dos operarios do Naval. Os traballadores de Navantia e auxiliares manifestáronse en defensa de carga de traballo para os estaleiros ("a principios de decembro imos ficar sen nada") mais tamén contra a lei de Wert. "Somos traballadores, mais tamén pais, cidadáns", lembraba Ignacio Naveira, do comité de empresa. Así, unha nutrida mobilización (algúns xornalistas que a estaban a cubrir en directo apuntaban a cifra de 8.000 persoas) percorreu Ferrol contra a política educativa e económica do PP. "Temos o mesmo problema", afirmaban desde o naval, en referenza a estudantes e traballadores. A protesta de Navantia é máis unha na longa ringleira de mobilizacións na defensa de traballo para os estaleiros. As promesas de goberno galego e central ficaron niso, promesas, e non se concretizaron. Feijóo prometeu hai máis dun ano que Ferrol ía construír un flotel. E dese buque nada se sabe. E o ministro Montoro afirmaba en febreiro que en marzo "os estaleiros comezarían a cortar chapa". Van alá sete meses e tampouco hai 'chapa' que cortar. |
PRAZA_14438 | Desexemos que os españois estean preparados para darlle a benvida ao novos estados catalán e vasco de xeito civilizado, pois niso xóganse (xogámonos) tamén a calidade da súa (nosa) futura democracia. Polos comportamentos que nos últimos días están a ter os nosos gobernantes todo parece indicar que queren converter un problema político nun problema de orde público. | Son dos que ten defendido durante anos a proposta federalista (asimétrica) como formula que servira para avanzar no autogoberno das nacións que compoñen a realidade do Estado Español e a súa vez preservar os niveis de redistribución da riqueza e do benestar social. Solución federal ou confederal, xa que en lexislación comparada moitas veces a diferenza non esta no nivel de autogoberno do que esta se dota senón na orixe do propio proceso: se vai desde o centralismo cara á descentralización ou viceversa. O modelo saído da transición choca e fai augas en dous aspectos fundamentais Alguén poderá dicir, con razón, que o modelo autonómico na súa lectura máis aberta conten rascos federalizantes, pero do mesmo xeito terá que aceptarse que o modelo saído da transición choca e fai augas en dous aspectos fundamentais: O primeiro é que para ser federal (ou confederal) debería partir da residencialización da soberanía nas nacións e non no estado, nas partes e non no todo, e estas froito dun acordo federal cederían aquelas funcións lexislativas ou executivas que considerasen; O segundo, ligado co primeiro, concernente en definir quen son os entres que se federan. E aquí o modelo saído da transición é puro artificio. Non son as nacións do estado as que conforman a estrutura territorial do mesmo, senón tamén unha cantidade de rexións administrativas herdadas dun modelo territorial do franquismo, superposto ao modelo provincialista decimonónico. A posibilidade federal morreu desde o momento que a forza chamada a liderar esa bandeira, o PSOE, non o fixo e pactou coa dereita os termos xurídicos e políticos dun estado neocentralista e uniformizador Así que sería moi difícil a día de hoxe decidir quen se federa e como, coa conseguinte problemática de retirar as competencias actuais a rexións que non formaran parte deste proceso federal constituinte, que non teñen conciencia de colectivo nacional pero que non estarían dispostos a devolver competencias hoxe adquiridas. A posibilidade federal morreu desde o momento que a forza chamada a liderar esa bandeira, o PSOE, non o fixo e pactou coa dereita os termos xurídicos e políticos dun estado neocentralista e uniformizador durante o breve goberno de Calvo Sotelo e os primeiros anos dos gobernos de Felipe González (todo iso tendo o fantasma do golpismo como elemento disuasivo para aqueles que reclamaban máis descentralización). Foi o único dirixente realmente federalista, Pascual Maragall, quen convenceu ao PSOE da posibilidade da senda federal vía reforma estatutaria, e foi precisamente a frustración causada polos recortes á modificación do Estatut de Catalunya, os que enterraron de vez a vía federalista coma solución de vertebración para un Estado Español plural. Chegados a este punto a única solución pasa por apostas soberanistas que teñan modelos de cooperación política desde a existencia de mecanismos de estado propio. Iso é a independencia? Si, iso é a independencia pero entendendo que o modelo 'estado-nación' xurdido a finais do século XVIII e inicios do século XIX entraron en crise e que vivimos nun mundo global onde existen interseccións económicas e políticas que fan inviable un modelo de estado independente como o de hai medio século. Debemos partir da soberanía cívica, da soberanía colectiva como persoas que se expresa en soberanías estratéxicas sexan estas enerxética, alimentar, cultural,… para conformar espazos de co-soberania Debemos partir da soberanía cívica, da soberanía colectiva como persoas que se expresa en soberanías estratéxicas sexan estas enerxética, alimentar, cultural,… para conformar espazos de co-soberania, tal como xa apuntaba o coñecido como plano Ibarretxe no seu día. A crise esta sendo unha escusa para que a dereita lance un discurso ideolóxico recentralizador, ocultando que a débeda fundamental é privada e que a pública concentrase fundamentalmente no estado e nos concellos. Cabe recordar que os países rescatados ou por rescatar como Grecia, Portugal, Irlanda ou Italia non son precisamente estados descentralizados senón todo o contrario. A súa crise, igual que a nosa, non ten que ver co modelo político administrativo territorial senón cun modelo económico baseado na dependencia oligopólica e no capital especulativo. A crise esta sendo unha escusa para que a dereita lance un discurso ideolóxico recentralizador, ocultando que a débeda fundamental é privada e que a pública concentrase fundamentalmente no estado e nos concellos Cada vez parece máis evidente que a crise non é soamente económica, senón tamén política, e sitúa con forza o fin dun ciclo. O esgotamento de armazón xurídico-político xurdido na transición e que estivo tutelado por forzas 'fácticas' moi poderosas que impediron ir mais aló. Agora toca ir máis aló. Como federalista convencido creo que a solución vai ser outra xa que o tempo da España federal esgotouse ao tempo que desaparecía o tripartito catalán. Desexemos que os españois estean preparados para darlle a benvida ao novos estados catalán e vasco de xeito civilizado, pois niso xóganse (xogámonos) tamén a calidade da súa (nosa) futura democracia. Polos comportamentos que nos últimos días están a ter os nosos gobernantes todo parece indicar que queren converter un problema político nun problema de orde público. Desexemos que os españois estean preparados para darlle a benvida ao novos estados catalán e vasco de xeito civilizado, pois niso xóganse (xogámonos) tamén a calidade da súa (nosa) futura democracia Nestes días que tanto se recorda o espírito da transición a dereita parecese cada día máis ao chamado 'búnker' do réxime. Para mal non se albiscan forzas reformistas nun goberno que cada día parecese máis a un réxime. |
PRAZA_8317 | Fiare está a piques de se converter nunha entidade de banca ética. Será a finais de ano, pero as persoas que o desexen xa se poden converter en socias ou clientes axudando a acelerar e fortalecer un proceso moi agardado. | Fiare está a piques de se converter nunha entidade de banca ética. Faltan algúns meses para que se completen todos os trámites, que depende da aprobación do Banco de Italia, pois Fiare operará a través de Banca Popolare Etica, que en maio en Florencia aprobará a integración das dúas entidades. Fiare ofrecerá unha alternativa moi agardada por milleiros de persoas en Galicia, defraudados coas prácticas da banda tradicional, ou que queren unha entidade que cumpra todas as función básicas da banca -depósitos, domiciliacións, transferencias, pago con tarxeta-, pero coa máxima transparencia e coa seguridade de que os seus cartos non alimentarán procesos especulativos ou servirán para financiar proxectos escasamente éticos. Non só iso, o capital que xa manexa e manexará Fiare serve para financiar cada ano máis dun cento de proxectos ligados á economía social, á agricultura ecolóxica, á cooperación ou á actividade produtiva de cooperativas. Porque Fiare leva anos funcionando como cooperativa de crédito, un servizo que nos últimos anos foi de grande axuda para moitas cooperativas ou pequenas empresas e particulares. Esta necesidade púxose claramente de manifesto nestes últimos tempos, nos que o acceso ao crédito de moitas persoas e organizacións se viu severamente restrinxido e no que o número de solicitudes de financiamento que recibiu Fiare aumentou moi significativamente. Os principais ámbitos de actuación de Fiare son proxectos vinculados á transformación no campo dos valores e a educación, a inserción social e laboral das persoas, a agroecoloxía e o comercio xusto e a cooperación norte-sur. Dende que en 2005 comezou a ofrecer créditos o volume de capital achegado a este tipo de proxectos de economía social -cunha achega máxima de tres millóns de euros por proxecto- non deixou de crecer. A pesar da crise económica, o crédito total aprobado pasou de 19,5 millóns de euros a finais de 2010 a máis de 27,5 a finais de 2011 e superou os 32 millóns en 2012. A meirande parte do crédito concentrouse en Euskadi e Catalunya, as zonas nas que Fiare ten unha maior implantación. Cal é o obxectivo de Fiare? Fiare é unha iniciativa de banca ética, en mans da cidadanía, que, cunha clara vocación transformadora, aspira a ser un instrumento político eficaz no ámbito da intermediación financeira. Capta aforro para prestalo, quitándolle o valor mercantil asociado a ese proceso; é dicir, canaliza, a través do aforro, solidariedade cidadá para garantir a través do crédito, condicións de equidade. E isto último faino póndose ao servizo daquelas organizacións que teñen percepción e capacidade para identificar cales son os contextos de inxustiza estrutural que hai que atender Fiare, deste xeito, promove mediante o crédito a posibilidade de desenvolvemento de determinados proxectos que teñen un claro valor transformador. Capta aforro para prestalo, quitándolle o valor mercantil asociado a ese proceso; é dicir, canaliza, a través do aforro, solidariedade cidadá para garantir a través do crédito, condicións de equidade Paula Lubián salienta: "a actividade económica e financeira non é neutral porque están financiando proxectos que enriquecen uns poucos e empobrecen a maioría. Do que se trata é de crear unha ferramenta que xorda da propia sociedade para darlle a volta e que os proxectos que se financien sexan de rexeneración e de transformación social real. Esa é a diferenza fundamental". Eles botan man dun poema de Eduardo Galeano: "Son cousas pequeniñas. Non acaban coa pobreza, non nos sacan do subdesenvolvemento, non socializan os medios de produción e de cambio, non expropian as covas de Alí Babá. Pero quizáis desencadeen a alegría de facer, e a traduzan en actos. E á fin e ao cabo, actuar sobre a realidade e cambiala, aínda que sexa un pouquiño, é a única maneira de probar que a realidade é transformable". Dende Fiare anímase a todas as persoas que estean interesadas a facerse socias ou a facerse clientes nestes meses previos Cando comezará a operar como entidade de banca ética? Calcúlase que a finais deste 2013 estará plenamete operativa. O normal é que a autorización que necesita para comezar a operar chegue antes, pode que mesmo antes do verán. Porén, a posta en marcha será lenta. Nun primeiro momento ofrecerá servizos para os seus socios e só despois abrirase para todos os posibles clientes. Dende Fiare anímase a todas as persoas que estean interesadas a facerse socias ou a facerse clientes nestes meses previos. En primeiro lugar para evitar unha avalancha no día no que se comece a operar plenamente, pero sobre todo para fortalecer e acelerar o proceso. Digamos que canta máis xente participe e canto máis se implique antes se completarán todos os pasos. E tamén para garantir que o proxecto de Fiare sexa o máis plural posible, pois todas as persoas socias teñen capacidade de decisión en todos os ámbitos. Até o de agora a cooperativa actúa como intermediaria entre os solicitantes de crédito e a propia operativa bancaria, que conta con tres oficinas no Estado. Xa se poden facer depósitos nunha conta corrente e mesmo se pode dispoñer dunha tarxeta moedeiro que se pode usar en caixeiros automáticos. Son estes depósitos os que financian a concesión de créditos. Fiare leva anos traballando neste proceso con moito coidado e con moito detemento e nunca prestou máis cartos dos que tiña e tentou axeitar a súa estrutura á súa actividade. Paula Lubián pide "que a reflexión se faga ao revés: se nos axudas a construír Fiare avanzaremos máis rápido". Fiare busca ofrecer un equilibrio entre manter os actuais servizos da banca, ainda que sexa de maneira máis limitada, pero dirixindo o foco cara á función social que quere cumprir Terei todos os servizos que me ofrecen o resto de entidades bancarias? A partir do momento que se completen os trámites administrativos pendente Fiare ofrecerá os mesmos servizos que calquera banco, aínda que cunhas diferenzas moi claras en canto ao carácter ético dos seus investimentos e créditos concedidos -destinados a cooperativas e á economía social-, á súa transparencia e ao seu non ánimo de lucro. Será esencialmente un banco online que permitirá realizar depósitos, domiciliacións, transferencias e pago con tarxeta, ademais da oferta de créditos a proxectos que xa realiza. Os promotores de Fiare fan fincapé en que nunca ofrecerá un tipo de xuro tan elevado coma o que ofertan as entidades tradicionais, "non o podemos ofrecer porque é pura especulación", din. O que si poderá conseguir é o fondo de garantía do que dispoñen todos os bancos, e mesmo superior ao que ofrece a banca tradicional. De feito, xa na actualidade os depósitos están garantidos a través das achegas dos socios. "Temos recollidos uns 4 millóns de euros que están totalmente inmobilizados. Os préstamos que ofrece Fiare saen do capital que achegan os clientes, non dese fondo de garantía composto polas achegas dos socios. No ano 2012 recollemos 34 millóns de euros en aforros e prestamos 31 millóns. Eses tres millóns de euros de diferenza tamén nos van servir de colchón. Nunca imos especular cos cartos. Nunca imos prestar máis do que conseguimos", promete Paula Lubián. Fiare busca ofrecer un equilibrio entre manter os actuais servizos da banca, ainda que sexa de maneira máis limitada, pero dirixindo o foco cara á función social que quere cumprir. "Ninguén se vai facer cliente de Fiare porque lle vaiamos ofrecer máis servizos ou máis interese que outros bancos. Os clientes de Fiare serano por un convencemento ético, por transparencia e por seguridade", conclúe. De feito, ofrécese a posibilidade de contratar unha libreta na que os intereses que xeren os cartos depositados vaian directamente para os proxectos que nós elixamos. Só en 2011, 400 persoas escolleron esta opción xerando máis de 20 mil euros en intereses. Nestes circuitos aforro-crédito a persoa aforradora implícase en que se poida soster economicamente unha actividade de crédito para evitar que a vulnerabilidade estrutural das persoas solicitantes constitúa un risco de morosidade maior. Fiare quere ofrecer, xunto aos produtos e servizos típicos da banca tradicional, outros produtos que se adapten ás necesidades das persoas e entidades non recoñecidas como clientes de crédito polas entidades tradicionais. Será esencialmente un banco online, que utilizará a mesma operativa que na actualidade empregan as Caixas rurais e que se inserirá na rede Servired para que os clientes de Fiare poidan facer uso desta rede de caixeiros Terá oficinas en Galicia? Nun comezo non. Será esencialmente un banco online, que utilizará a mesma operativa que na actualidade empregan as Caixas rurais e que se inserirá na rede Servired para que os clientes de Fiare poidan facer uso desta rede de caixeiros. Na actualidade Fiare conta con tres oficinas, en Bilbao, Barcelona e Madrid. Tamén dispón dunha ampla rede de puntos de difusión a través de todas as asociacións que a conforman, en Galicia unhas 26. E ducias de puntos de información, onde unha rede de axentes que nestes momentos están recibindo cursos de formación poderán asesorar sobre todos os trámites que se queiran realizar a través de Fiare. Tamén se está valorando a creación da figura do banqueiro ambulante, que se está estendendo por Italia, unha persoa con capacidade para completar todas as operacións e que se desprazará por todo o territorio. Os proxectos son avaliados localmente por unha comisión que en Galicia está formada por cinco persoas elixidas asembleariamente e que cumpren unha serie de requisitos Como se conceden os créditos? Fiare fai públicos os seus obxectivos éticos e sociais en todo momento e tamén os criterios que valora á hora de conceder os créditos, entre os que o respecto ao medio ambiente, a creación de postos de traballo en ámbitos coma a prestación de servizos ou actividades produtivas, ou a propia natureza non lucrativa dos proxectos son fundamentais. Os proxectos son avaliados localmente por unha comisión que en Galicia está formada por cinco persoas elixidas asembleariamente e que cumpren unha serie de requisitos: manter o equilibrio rural-urbano, de xénero, e representar as distintas sensibilidades que conforman Fiare: o mundo ecoloxista, do sindicalismo agrario, de cooperación e do comercio xusto. Este grupo ten un protocolo e analiza o proxecto. Se di que non, a proposta pódese modificar. Se di que si a, operativa bancaria ten que analizala pola súa conta e decidir a súa concesión. "Esta comisión de avaliación é importante porque nós sabemos mellor que ninguén o que hai que financiar aquí coñecemos a nosa realidade. E como ten que haber unha dobre decisión, isto garante un equilibrio entre a parte económica e a parte social", salienta Paula Lubián. Polo de agora son 20 concellos adheridos a Fiare en todo o Estado, un deles en Galicia: Manzaneda Hai Concellos adheridos a Fiare? Polo de agora son 20 en todo o Estado, un deles en Galicia: Manzaneda. As administracións públicas locais fanse socias de Fiare como mostra do compromiso en construír unha banca ética desde a cidadanía organizada que impulsa unha intermediación financeira baseada nuns valores como a responsabilidade, a solidariedade e o respecto pola contorna. Donostia, Errentería, Ordizia, Azpeitia, Hernani, Oñati (Euskadi), Burlada, Ansoain, Berriozar, Villaba, Huartepa (Navarra). Prat de Llobregat, Sabadell, Cambrils (Catalunya), RivasVaciamadrid (Madrid) ou Albuixech (Valencia) son algúns deles. Que diferencia Fiare doutras entidades de banca ética? A diferenza doutras entidades como Triodos Bank, Fiare é unha cooperativa nas que as persoas que achegan o capital social pasan a ser socias de pleno dereito. Nas asembleas da entidade decídense desde as escalas salariais das persoas liberadas ou a taxa de xuro dentro do marco establecido polo Banco de España. Como salienta Paula Lubián, "Fiare é un proxecto estritamente social. Iso significa que Fiare en Galicia non ten sentido sen esas 26 asociacións e esas 200 e pico persoas que están detrás". Polo tanto Fiare só ten sentido como proxecto social, o que obriga a que todas as grandes decisións se teñen que adoptar a través dunha asemblea e toda a súa actividade está permanentemente exposta. Ademais, hai unha limitación para a ocupación de todos os cargos e tamén unha ratio de 1 a 3 entre o soldo maior e o menor. Fiare constrúe e xógase a súa lexitimidade ética no modelo de construción e de crecemento que propón; e nas estruturas e procesos dos que se dota para garantir o logro dos seus fins. A forma en que articula a súa base social, os mecanismos postos en xogo para promover a participación informada e responsable, os procesos de toma de decisións, a estratexia de implantación no territorio ou as ferramentas que reforzan a súa capacidade para responder aos retos da nosa sociedade desde o coñecemento e a proximidade son algúns dos piares sobre os que se constrúe esa lexitimidade. Coop 57 ou AIS O Peto están integradas en Fiare e realizan unha serie de funcións fundamentais que Fiare non pode cumprir Que relación hai entre Fiare e Coop 57 ou AIS O Peto? Son parte do mesmo proceso. Coop 57 ou AIS O Peto están integradas en Fiare e realizan unha serie de funcións fundamentais que Fiare non pode cumprir. Na economía social hai tres niveis: o nivel micro corresponde a microproxectos, coma os que xestiona O Peto. Se alguén necesita 1000 euros e vai falar con Fiare iso Fiare non o pode facer porque a avaliación que teria que facer para decidir se financia o proxecto se cadra xa custa tanto coma o que se pide. Pero AIS O Peto é socia de Fiare e Fiare remitelle esa solicitude. O mesmo se pode dicir de Coop 57, xa nun nivel meso. Son volumes máis pequenos que Fiare -Fiare dá créditos de até 3 millóns e Coop de até 200 mil euros- e tes que ser socio para que che dean un crédito. Son tres niveis que están dentro do mesmo proxecto e que funcionan autonomamente pero asociándose os uns cos outros e remitindose proxectos os uns aos outros. Onde atopar Fiare en Galicia? Fiare-Galiza ten como reto para os vindeiros meses consolidar a súa implantación territorial no noso país e contar con presenza, cando menos nas sete cídades. Polo momento conta con dous puntos de información. En Compostela: Panxea (Rúa da Rosa nº 36 baixo), e en Vigo: Parroquia do Cristo da Victoria (Rúa Baiona nº 9). Web de Fiare |
NOS_33037 | A xustiza condenou, despois de quince meses de debate, a 50 anos de prisión para Videla e 15 para Bignone polo caso das crianzas roubadas. | O Tribunal Oral Federal 6 de Bos Aires, despois de quince meses de debate, condenou aos ditadores Jorge Rafael Videla e Reynaldo Benito Bignone por "sustracción, retención e ocultamento" de fillas e fillos de desaparecidos durante a última ditadura cívico-militar, en vinte e treinta e un casos, respectivamente. A sentenza tamén dictou 30 e 40 anos de "prisión e inhabilitación absoluta" polo mesmo prazo da condena aos represores Antonio Vañek e Jorge "El Tigre" Acosta. Os colectivos de familias seguen a buscar aos que faltan O Tribunal definiu o roubo de crianzas "como plan sistemático, produto dunha práctica organizada desde a cúpula do poder militar", e o día 17 de setembro realizará a lectura dos fundamentos da sentenza. Un total de 35 roubos probáronse no xuizo entre os que naceron en cautividade e os que foron secuestraddos. Un total de 26 recuperaron a súa verdadeira identidade e 20 declararon no xuizo.Os colectivos de familias seguen a buscar aos que faltan e algúns nomes quedaron escritos nunha xornal que distribuiu Abuelas de Plaza de Mayo pola sentenza. Os seus nomes: Guido Carlotto, Ana Libertad Baratti De la Cuadra, Clara Anahí Mariani Teruggi; @ fill@ de Gabriela Carriquiriborde e Jorge Repetur; Martín Ogando Montesano; Victoria Petrakos Castellini; a filla de María Moyano e Carlos Poblete e a hija de Ana Rubén e Hugo Castro que "continúan viviendo cunha identidade falsa".Sentenzas: Jorge Rafael Videla: 50 anosAntonio Vañek: 40 anos "Tigre" Acosta : 30 anosSantiago Riveros: 20 anosReynaldo Bignone: 15 anosVíctor Gallo: 15 anosJuan Antonio Azic: 14 anosJorge Luis Magnacco: 10 anosInés Susana Colombo: 5 anosPrisión efectiva. Cadea común |
NOS_53393 | Como regra xeral, as capacidades dos locais permitidas serán do 50% nos concellos con nivel máximo, e do 75% nos restantes niveis. Non haberá límite de persoas, alén do que marque a distancia interpersoal de 1,5 metros. | O conselleiro de Sanidade, García Comesaña, informou da decisión do comité clínico de ampliar as capacidades nos distintos espazos e ámbitos da vida cotiá. O anuncio prodúcese logo de que o comité de expertos avaliase a evolución epidemiolóxica dos concellos galegos nas últimas datas. Así, o titular de Sanidade apunto que " a incidencia acumulada segue a baixar dun modo rápido", mais remarcou a necesidade de seguir a cumprir as medidas hixiénico-sanitarias establecidas. Como regra xeral, as capacidades dos locais permitidas serán do 50% nos concellos con nivel máximo, e do 75% nos restantes niveis. Ademais non haberá límite de persoas, alén do que marque a distancia interpersoal de 1,5 metros. Así mesmo, anunciou o establecementos do nivel medio de restricións nos concellos de Foz e O Barco de Valdeorras, mentres que o de Monforte de Lemos baixa ao nivel medio baixo. As novas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 25 de setembro. Sobre o proceso de vacinación, García Comesaña subliñou que "Galiza volve a estar á cabeza da vacinación ", tanto na administración de primeira doses, como na porcentaxe de poboación con pauta completa. Por último, o responsábel de Sanidade informou tamén do peche dos diferentes recintos de vacinación masiva que se habilitaron para levar a cabo, coa maior celeridade posible, a vacinación da poboación galega. |
NOS_16392 | A oposición reclamou a comparecencia do presidente ante a imputación de persoas próximas ao presidente e cargos da administración pública. | O PP botou man da súa maioría para impedir que Núñez Feijóo comparece no Parlamento de Galiza para dar explicacións sobre a imputación de persoas moi próximas ao presidente e cargos da Xunta no proceso aberto pola presunta fraude nos cursos de formación. Os populares din que toman esta decisión para evitar entrar no xogo suxo da oposición. A oposición critica que non queira dar explicacións. O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, dixo que, os mecanismos de control non funcionaron no "escándalo" dos cursos de formación. Sobre a imputación de Pachi Lucas, o auto considera confirmados os indicios que apuntan a un delito de tráfico de influencias ao actuar como "conseguidor" de Gerardo Crespo. Quero lembrar, dixo Jorquera que Pachi Lucas é unha persoa do "círculo intimo do Sr. Feijóo" e o Presidente da Xunta non pode dar "a calada por resposta", debe comparecer e dar explicacións, recalcou. |
PRAZA_10565 | Xoel López, Budiño, La Casa Azul, Milladoiro ou Chico César son algúns dos concertos que acollerá a praza da Quintana | Xoel López, Budiño, La Casa Azul, Milladoiro ou Chico César son algúns dos concertos que acollerá a praza da QuintanaO Concello de Santiago presentou este venres o programa das Festas do Apóstolo, que este ano se celebrarán do 19 ao 31 de xullo. O actor compostelán Luís Zahera será o encargado de pronunciar o pregón co que darán comezo trece días de actuacións, todas elas de balde. O novo concelleiro de Festas, o socialista Gonzalo Muíños, salientou que salvo cuestións puntuais, o programa das festas "estaba practicamente configurado polo anterior equipo de goberno" de Compostela Aberta, e considerou que contén "propostas diversas en canto a estilos e públicos, cos grandes concertos centrados na praza da Quintana, complementados con outras propostas cada día noutros espazos da cidade".Muíños salientou que o pregoeiro, Zahera, chega "cun Goya debaixo do brazo, que obtivo como mellor actor de reparto polo filme El Reino". De seguro, dixo, "nos preparará un pregón cheo de humor e de compostelanismo e nos animará a vivir con intensidade as festas". Será o venres 19, e irá seguido, na mesma praza do Obradoiro, da actuación de Zalon Thompson, artista británico coñecido no seu día por ser a voz principal da banda da desaparecida Amy Winehouse e que agora presenta o seu primeiro disco.O resto de grandes concertos serán na praza da Quintana:Venres 19: BudiñoSábado 20: Beat e música electrónicaDomingo 21: Xoel LópezLuns 22: The Main SqueezeMartes 23: La Casa AzulMércores 24: La M.O.D.AXoves 25: Leilía e MilladoiroVenres 26: Festival folkSábado 27: Xornadas de FolcloreDomingo 28: Chico CésarLuns 29: Banda Municipal e Gallaecia Big Band (retirada previa de convite no Teatro Principal)Martes 30: Real Filharmonía de Galicia (retirada previa de convite no Teatro Principal)Mércores 31: Banda Crebynsky, Fredi Leis e HolywaterAdemais destes grandes concertos na Quintana, a praza do Toural tamén acollerá actuacións de Jamila e Rey Montesinos, Kind of Soul, Nunatak, The Tune, Moon Cresta, The Soul Jacket, Phantom Club, Wöyza, Trilitrate, Puerta Sur, Basanta e Lulavai.As festas tamén contarán con citas tradicionais como o Día do Traxe Galego, o torneo de chave, o concurso de ciprínidos, as exhibicións de coches e de traxes de época, o Día de Padrón, as orquestras na Alameda ou as atraccións. As festas contarán igualmente cun Punto Lila de información e acompañamento sobre violencias sexuais. |
NOS_26798 | Teño a sensación de que Podemos é hoxe unha forza política máis antipática do que hai uns meses e que a cousa ten pinta de ir a peor. | É probábel que pasasen a mellor vida os días de viño e de rosas para a formación dos círculos, aquela época en que en determinados ámbitos -a comezar polos platós televisivos- gozaba de bula para todo. Días en que as críticas a Podemos se voltaban como un boomerang contra quen as formulaba. Eran o guay, o moderno, a esperanza branca, etc. Os seus críticos eran rancios e obsoletos e todo por aí fóra. Xa non é así. Agora Podemos xa non surfea ningunha onda. O 24M mostrou certos límites, nomeadamente nas eleccións autonómicas. O promedio que obtivo foi do 15%. Unha marca notábel para unha forza emerxente, mais un teito demasiado baixo para quen gasta retórica hexemonista e declara como obxectivo ser primeira forza e derrotar o PP de Rajoy. En realidade, os problemas de Podemos son no mínimo tácticos. No taboleiro non só xoga un xogador. Todo movimento das brancas é respondido por unha manobra das negras. Podemos comezou a partida cunha táctica moi clara, agresiva, admirábel pola súa orixinalidade. Un Partido Nacional Español (PNE), nen de esquerdas nen de dereitas. Un PNE inter-clasista cun discurso directo: os de abaixo, que son a inmensa maioría, contra os de arriba. Algunhas palabras de orde máis ou menos radicais, as máis rupturistas [nacionalización de setores estratéxicos da economía, quita da débeda, renda básica para toda a cidadanía], rapidamente abandonadas. E sobre todo o culto ao Novo como fetiche, como deus ex machina cuxa só invocación -somos virxes, nunca estivemos nas institucións, non cumprimos os 40 anos- fose abondo para abrir as portas do paraíso e expulsar do templo os mercaderes. Estética cristiá, mesiánica, máis do que marxista. En realidade, os problemas de Podemos son no mínimo tácticos. No taboleiro non só xoga un xogador. Todo movimento das brancas é respondido por unha manobra das negras O problema é que xogaron as brancas e responderon as negras. E as negras responderon pondo sobre o taboleiro unha nova peza. Ciudadanos, o partido de Albert Rivera. Aí comezaron os problemas para Podemos. Había outro actor o disputar o caladoiro do centro. Outro alén do PSOE. Nese momento, o cerebro colectivo de Podemos cruzou dúas variábeis posíbeis, despois de repasar o banco de dados, as incontábeis partidas disputadas en millentos taboleiros. Basicamente había dous cenarios hipotéticos. O primeiro, non alterar o rumo, manter a táctica, un pouco ao estilo Rajoy. Isto é, continuar co discurso centrista. Afastarse da esquerda. Fialo todo á conquista do centro. O segundo, repregarse e reprogramar. Lanzar a campaña desde a esquerda, disputar o xogo desde un punto intermedio entre a social-democracia e o rupturismo. No primeiro cenario, Íñigo Errejón. No segundo, Monedero. Gañou Errejón e Pablo Iglesias lanzou as xa míticas invectivas contra Izquierda Unida, aquilo de que se cozan coas estrelas vermellas, un pouco antipático, visceral, como destilando rancor por vellas feridas (cantas veces non terá pensado Cayo Lara en que talvez tería sido mellor acomodar o profeta da Tuerka na lista de IU ás europeas!!). O centrismo non leva a ningures. O centro, en política, en realidade non existe A vía Errejón parecíame naquela altura un erro e acho que os últimos desenvolvimentos confirman esa impresión. Todos os problemas de Podemos adveñen diso. A vía Monedero (basicamente a anexión de Izquierda Unida polo vieiro da unidade popular) colocaría o mundo Podemos en moito mellor disposición de disputar a batalla da esquerda ao PSOE. O centrismo non leva a ningures. O centro, en política, en realidade non existe. Podes achegarte ao centro, si, mais a condición de que primeiro reines nun dos dous flancos, a dereita ou a esquerda. Aliás, ninguén triunfa en política botando as raíces nas posicións tépedas porque elas son voláteis por natureza e tan axiña están contigo como contra ti. O ataque desaforado de Iglesias a Izquierda Unida provocou o rearmamento do combo de Alberto Garzón e dese lance naceu Ahora en Común, unha plataforma basicamente hexemonizada pola formación que ten o PCE como forza matriz. Ahora en Común conecta no imaxinario colectivo con Ahora Madrid e con Barcelona en Común e no mínimo vai dividir o eleitorado de esquerda ao que Podemos, embora o seu centrismo discursivo, tamén se dirixe. O ataque desaforado de Iglesias a Izquierda Unida provocou o rearmamento do combo de Alberto Garzón e dese lance naceu Ahora en Común A quimera centrista debilita portanto a Podemos, que agora está en terra de ninguén. Súmenlle a iso o acceso de xacobinismo que o partido de Iglesias acaba de manifestar coa súa proposta de conformación das listas para as xerais e o panorama ensaríllase aínda máis para a organización podemita. Non cabe imaxinar deseño máis centralista dunhas primarias para unhas eleccións lexislativas que o de propor unha circunscrición única e unhas listas "plancha" que, como ben se sabe, reproducen sempre a vontade do líder. O paradigma do caudillismo español. De novo o retorno ao PNE: non admira ver na lista dos elixidos de Pablo Iglesias a un garda civil. O virus centralista produce anticorpos e até na organización galega de Podemos, en liñas xerais bastante fiel ao Chefe, se produciron algunhas mostras de descontentamento, pouco sentido se lle ve a que en teoría un candidato de Cádiz puidese elixir apresentarse nas xerais pola provincia da Coruña, iso non o defendeu nen a Alianza Popular dos 7 magníficos de Fraga. O paradigma do caudillismo español. De novo o retorno ao PNE: non admira ver na lista dos elixidos de Pablo Iglesias a un garda civil. Ese abrupto rebento de centralismo -que é manobra calculada, nada deixan ao azar os profesores de Políticas da Complutense- está dirixido a disputar votos a Albert Rivera, conspicuo anti-nacionalista, mais cortocircuita en non pouca medida as pontes con atores políticos como a Anova de Beiras ou mesmo cos sectores independentistas de Iniciativa per Catalunya. Non se pode ter todo, don Pablo. Así están as cousas no taboleiro. A partida vai ser longa. Mais Podemos-Errejón está a mostrar unha enorme rixidez táctica e dá a imprensión de que Iglesias non moverá banco até despois de falaren as urnas. Agardará talvez a quenda Monedero. Estes días Bregoán Ribóo, o secretario xeral de Podemos Galiza, comproba nas súas carnes que non se pode servir a dous señores Esa rixidez táctica amarra Podemos á defensa fetichista da súa marca e das súas siglas. En troca, aí acertou o BNG, ao abrir o campo e ensanchar os límites, na súa aposta por unha candidatura galega de unidade nacional ao Congreso. Estes días Bregoán Ribóo, o secretario xeral de Podemos Galiza, comproba nas súas carnes que non se pode servir a dous señores: a soberanía ou a tes ti para decidir como elixes os teus representantes ao Congreso -en circunscricións galegas- ou a ten Madrid -en circunscrición española. A soberanía non é divisíbel. Se ten ou non se ten. Ou se está no espazo nacional galego ou se está no espazo estatal español. That´s the point. |
PRAZA_7980 | Malia ter o 65% dos escanos que lle corresponden a Galicia, os e as representantes do PP na Cámara Baixa apenas superan o 10% do total da actividade parlamentaria ata o momento | As eleccións xerais de 2011 outorgáronlle ao PP algo máis do 52% dos votos emitidos, o que se traduciu en 15 dos 23 escanos elixidos polas circunscricións galegas no Congreso dos Deputados. A seguinte forza máis votada foi o PSdeG-PSOE, ao que o 27,81% dos votos se lle traduciron en 6 escanos. A continuación quedou o BNG, co 11,18% dos votos e 2 escanos. Algo máis dun ano despois dos comicios que levaron a Mariano Rajoy a La Moncloa, unha ollada á actividade parlamentaria dos e das representantes de Galicia na Cámara Alta amosa notables diferenzas. Así, o 90% das iniciativas formuladas por deputadas e deputados galegos xurdiron no PSOE ou no BNG, que contan co 64% dos escanos elixidos en Galicia. Segundo os datos oficiais do Congreso, sistematizados pola web Qué hacen los diputados, os deputados galegos que actualmente están activos -dende as eleccións houbo baixas como as de Francisco Jorquera e Francisco Caamaño- levan tramitadas 1.612 iniciativas. Destas, 175 corresponden a membros do PP elixidos en Galicia, o que supón o 10,8% do total. De entre os seus membros, o máis activo é o ourensán Celso Delgado, con 22 iniciativas. Ségueno o controvertido Guillermo Collarte -quen asegurara que as "pasa canutas" cun soldo de 5.100 euros- e Ana Belén Vázquez, ambos con 19 iniciativas. Por riba das 10 están Tristana Moraleja, Joaquín García Díez, Olga Iglesias, Jaime Olano, Antonio Erias e Marta González. O resto presentaron menos de 10 e quen pecha o rexistro é a ministra de Fomento, Ana Pastor, que non asinou ningunha. Os representantes galegos con máis iniciativas rexistradas son os socialistas José Blanco e Laura Seara e a nacionalista Olaia Fernández Neste contexto, os conservadores galegos no Congreso presentan unha media de 11,6 iniciativas por deputado, lonxe dos outros dous grupos con escanos elixidos en Galicia. Así, por exemplo, os seis membros do Grupo Socialista que chegaron ao lexislativo español procedentes de circunscricións galegas acumulan unha media de 197,5 iniciativas, nun rexistro encabezado por José Blanco, con 435 e Laura Seara, con 418. Tras o lucense e a ourensá están o pontevedrés Guillermo Meijón, que tramitou 136 iniciativas, e Carmela Silva, con 96. Nos dous últimos postos da lista están Miguel Cortizo, que presentou 82 iniciativas, e Paloma Rodríguez, que fixo o propio con 18. Tamén están por riba da media de cen iniciativas por deputada as representantes do BNG, Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez, ás que lle corresponden 126. Non obstante, se a esta suma se lle engaden as tramitadas por Francisco Jorquera ata a súa baixa no Congreso, en setembro de 2012, esa cifra sitúase nun nivel idéntico ao dos socialistas, 197, xa que o actual voceiro nacionalista no Parlamento de Galicia tramitou 142 iniciativas. A súa substituta, Rosana Pérez, xa impulsou 51 iniciativas mentres que Fernández Davila leva 201. Datos de todos os membros do Congreso, procesados por Qué hacen los diputados |
NOS_23714 | Unha carreira solidaria entre Vigo e Compostela serviu para apoiar as demandas dos doentes que están fóra dos criterios de medicamentos do ministerio de Sanidade, que deixa fóra a moit@s enferm@s. O BNG amosou o seu apoio. | Partindo do centro de Vigo a primeira hora da mañá e chegando á compostelá Praza do Obradoiro pola tarde, varias persoas amosaron o seu apoio ás demandas da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite C, que se manifestou por decenas en Compostela pola tarde, nun acto ao que acudiu a deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez. Esta Plataforma -nun día no que se deron mobilizacións por todo o Estado- protestou en demanda o acceso aos fármacos de última xeración, como o Sofosbuvir, para toda@s @s doentes que o necesiten, fronte ao criterio restrinxido que propón o Goberno central que significaría que este tipo de medicamentos só chegaría en 2015 a unhas 6.000 persoas cando a cifra de afectad@s ascende a 30.000. O acto do Obradoiro incluíu a entrega dunha simbólica carta aos Reis Magos coas demandas da Plataforma no belén alí colocado. A concentración coa que finalizou a carreira solidaria e reivindicativa realizouse baixo o lema 'Os recortes matan. Medicación para todos'. O BNG solicitou en Madrid a comparecencia do ministro de Sanidade para tratar este asunto. |
NOS_52433 | Paula Carballeira, escritora, contacontos e actriz, fala con nós ao redor do impulso do proxecto para a saída de O Diario Galego. | -Que esperas de O Diario Galego? -Pluralidade de información, de diferentes puntos de vista, e unha atención especial ao ámbito cultural, que queda moi relegado noutros xornais. Pola experiencia persoal previa co Sermos, teño moitas expectativas e esperanzas postas neste diario. Son lectora en papel máis que en pantalla, e creo que somos multitude a xente que esperamos presenciar o seu nacemento. -Por que é necesario? -A pesar de vivir na sociedade da información, creo que a información está case sempre enfocada nunha única dirección. Espero que se abran outros camiños, outros puntos de vista e perspectivas. -Que lle pode achegar á cultura? -Pola miña experiencia virtual previa, o Sermos presta moitísima atención á vida cultural en galego, sobre todo se o comparamos co pouco ou nada de atención que se lle presta noutros xornais e ámbitos. É importante que a xente da cultura apoie este proxecto para poder ter un sitio onde expresarnos con liberdade. [Fai posíbel O Diario Galego sumándote ao proxecto] |
NOS_27537 | O PSC apresentou unha moción de censura embora só dispor de 4 edís sobre 27. O PP di agora que está disposto a apoiala. | O concello de Badalona está gobernado por unha coligazón composta por Badalona en Comú (CUP e Podem), ERC e ICV, tres formacións que totalizan 10 escanos no Pleno municipal. O pasado 12O acordaron abrir o concello durante a chamada "Festa Nacional" española e embora ter sido xudicialmente requeridos para respeitar o día feriado. Este feito provocou, alén das secuelas xudiciais, o inicio dunha campaña de hostigamento político por parte da oposición unionista no concello na que se enmarca a apresentación dunha moción de censura por parte do PSC. A moción socialista podería agora prosperar, sendo que esta segunda feira Xavier García Albiol -ex alcalde de Badalona, chefe da oposición nese concello e presidente do PP en Catalunya- acaba de anunciar o seu apoio á iniciativa socialista. En principio, o PSC tencionaba obter tamén o apoio de Cs e a antiga Convergència, que dispoñen de un e dous escanos, respectivamente. Os nacionalistas xa dixeron que non contasen con eles. |
NOS_29431 | Hai un mes o Celta era o fechacancelas e ninguén daba un peso pola resurrección dun equipo que, se algo destilaba, era tristura. Mais o arxentino Eduardo Coudet foi quen de transmitir aos Denis, Brais e compañía o seu carácter gañador para pasar en tempo récord do descenso ás portas de Europa e subir toda a afección á 'Chachoneta'. | As máis acérrimas seguidoras celestes que usen Twitter saberán que calquera das publicacións do perfil oficial do clube están ateigadas de comentarios de seareiras do Internacional de Porto Alegre, despechadas polo "roubo", como elas din, do "seu" Chacho Coudet. Razóns teñen para estar molestas, pois cando o arxentino abandonou precipitadamente os colorados para recalar na Galiza estes eran líderes no Brasileirão e hoxe ocupan a cuarta praza a nove puntos do líder. Agora é en Vigo onde gozan da maxia dun adestrador que é quen de facer que un mesmo conxunto sexa un bloque de formigón na defensa, encaixando tan só un gol en cinco partidos, e ao mesmo tempo unha máquina ofensiva capaz de anotar 16 tantos no mesmo período. Fútbol total versión século XXI. O último equipo que viu como lle pasaba por enriba a 'Chachoneta' -alcume co que se coñece o fenómeno Coudet- foi o Alavés dos galegos Joselu, Lúcas e Jota, que caeron por 2-0 nun encontro no que o técnico celeste sorprendeu situando a Brais Méndez na posición de dianteiro para cubrir a baixa por lesión de Santi Mina, e o de Mos non defraudou, anotando dous tantos. Logo deste triunfo, o cuarto consecutivo na Liga -algo que o Celta consegue por primeira vez desde o ano 2014-, a escuadra viguesa sitúase oitava e a tan só dous postos de Europa, aos que podería acceder de gañar mañá ao Getafe. Doloroso tropezo do Lugo O Clube Deportivo Lugo despediu o ano 2020 cunha derrota das que fan dano, pois volveu caer ante un equipo da zona baixa da táboa como é un Real Zaragoza que estaba afundido na penúltima posición (1-0) cando, de gañar, quedaría ás portas das prazas de play-off. Para o preparador albivermello, Mehdi Nafti, detrás da inesperada derrota poden estar os "esforzos acumulados", e agarda que os seus pupilos "regresen coas pilas cargadas" en 2021, despois da pequena parada que inicia agora a categoría de prata. O Dépor gaña un Teresa Herrera intranscendente Coa Segunda B xa de vacacións, o Dépor participou na LXXV edición do Trofeo Teresa Herrera. Lonxe dos fastos do 50 aniversario, esta non pasou de ser unha pachanga contra un combinado de xogadores afeccionados da Coruña na que, loxicamente, gañaron sen maiores dificultades. (6-0). |
NOS_50228 | Organizado pola Fundación Galiza Sempre, decorrerá esta quinta feira na Facultade de Económicas de Compostela. Economistas, analistas, políticos..debullarán sobre o escenario financeiro galego. | O Salón de Graos da Facultade de CC Económicas da Universidade de Santiago de Compostela acolle esta quinta feira, 3 de outubro, un seminario sobre as alternativas para o sistema financeiro galego, unhas xornadas organizadas pola Fundación Galiza Sempre. O seminario comeza ás 9:30 coa mesa redonda 'O proceso de desmantelamento do sistema financeiro en Galiza. Causas, consecuencias e perspectivas'. Nela toman parte Xesús Veiga (presidente da Fundación), Xosé Luis Gómez (editor de Mundo Diario) e os economistas Xan López Facal e Marcelino Fernández Mallo. Análise, debate, propostas Ás 11:00 decorrerá a palestra 'As relacións entre a banca e a economía produtiva. O caso galego' a cargo de Adrián Dios (da executiva nacional do BNG) e Ramón Manuel Yáñez, profesor na Universidade da Coruña e autor do libro 'As relacións banca-industria en Galiza' 'Unha alternativa para o sistema financeiro galego, a posición do BNG' será a intervención do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence. Terá lugar ás 12:00. O punto e final deste seminario contará coa presenza de Carme Adán, deputada do BNG, Clodo Montero, de CIG-Banca, e Xosé Lois Veiga, membro do consello de administración de NCG polo Concello de Pontevedra. Estas tres persoas falarán sobre 'o proceso de desmantelamento das caixas' desde tres visións distintas: comisión das caixas, sindical e consello de administración. |
PRAZA_9884 | Carme da Silva, candidata nacionalista ao Congreso, volve ser sinalada cunha diana e a mensaxe "atenta" e os socialistas levan á Xunta Electoral o que consideran un "escrache". Ambas formacións sinalan persoal de ENCE e os comités rexeitan unicamente o acto contra o Bloque. | BNG e PSdeG de Pontevedra denuncian o "acoso" e as pintadas sufridas nos últimos días por ambos partidos. No caso da cabeza de lista do Bloque ao Congreso, Carme da Silva, é a segunda vez que sofre mensaxes ameazantes fronte á súa casa, logo das que apareceron o pasado mes de marzo. Nesta ocasión, ao nome da tamén concelleira pontevedra sobre unha diana engadíuselle outra diana e a mensaxe "atenta", ademais dun lazo de cor verde, símbolo que coincide co empregado por traballadores de ENCE que defenden a permanencia da celulosa na ría. A candidata do BNG, Carme da Silva, volve sufrir pintadas ameazantes fronte á súa casa tras a diana co seu nome aparecida en marzo; agora engádeselle a lenda: "atenta"Precisamente, lazos verdes apareceron tamén á entrada da sede da agrupación municipal do PSdeG o pasado luns, cunha frecha sinalando a entrada e unha mensaxe: "De obreros poco". Por baixo da porta introducíronse papeis con proclamas contra o partido como as que algúns dirixentes sindicais levan ás protestas contra a marcha de ENCE, varios carteis electorais socialistas foron "vandalizados" mesmo con dianas e outros cobren muros da cidade ou a propia propaganda electoral do PSOE con lemas como "Ence sí, PSOE no" ou riscando a O da sigla do partido.O PSdeG local xa anunciou que levará á Xunta Electoral o que considera un "acoso" aos seus candidatos e os "escraches" contra os seus carteis, ademais de sinalar a CCOO por cometer "a absoluta irresponsabilidade de poñer o punto de mira das iras dos traballadores no PSOE municipal". O PSdeG levará á Xunta Electoral o que considera un "acoso" e "escraches" contra os seus carteis e sinala a CCOO por "poñer o punto de mira das iras dos traballadores" na súa formaciónDesde o BNG, Carme da Silva instou a "frear a mafia, os esbirros de Ence e a dereita" enchendo as urnas de votos para o Bloque o vindeiro 28 de abril. A candidata nacionalista ao Congreso cre q as "ameazas" teñen unha "marcada finalidade política" e buscan restar incidencia electoral ao partido. "É claro que non queren que o BNG teña representación nas Cortes do Estado, pero que teñan moi claro que non nos imos amedrentar", dixo. Os comités desvincúlanse só da ameaza ao BNG Precisamente, os comités de empresa da fábrica e as oficinas centrais de ENCE desvinculáronse das pintadas ameazantes a Da Silva e lamentaron o uso do símbolo do lazo para "ensombrecer" a súa "causa". Así, manifestan a súa "repulsa" contra estes actos que, din, "atentan contra a dignidade das persoas" e esperan unha actuación axiña da Fiscalía. No comunicado, no entanto, os comités tan só se refiren ao caso da candidata do BNG pero non aos denunciados polos socialistas, aos que non fan referencia. Por outra banda, a cabeza de lista do PP ao Congreso por Pontevedra, Ana Pastor, cualificou de "lamentable" as ameazas da Da Silva e amosou o seu apoio á candidata do BNG. |
NOS_3154 | En 2013 había 233 investigadores menos no noso país que en 2004, cando eran 5.630 as persoas en Investigación e Desenvolvemento. No Estado español pasaron de ser 100.994 hai dez anos a 123.225 en 2013. | Un dos indicadores da situación do I+D t(investigación e Desenvolvemento) é o que proprocionan os seus recursos humanos, onde cabe distinguir principalmente entre o persoal e os investigadores. O persoal que realiza este tipo de actividades en Galiza foi en 2013 de 9.386 persoas, segundo o recente Informe de Coxuntura do Foro Económico de Galiza. No que atinxe ao número de persoas que desenvolven de xeito específico actividades de investigación foi en 2013 de 5.397 persoas, un descenso do 4,2% a respeito das persoas que se adicaban á investigación en 2004, canmdo eran 5.630. En paralelo e nese mesmo período o comportamento do Estado español foi o contrario, pasando de ser 100.994 (2004) a 123.225 en 2013, un aumento de máis do 23 por cento. Os distintos indicadores dispoñíbeis da investigación e innovación en Galiza dan conta "dunha febleza no que se refire á súa relevancia económica e aos seus recursos humanos", tal e como sinala o Foro. As comparacións estatais da I+D galega sitúana en porcentaxes por baixo do 5%, "o cal vén a contrastar coa súa relevancia tanto demográfica como económica". Mingua constante Galiza leva anos a ver como mingua a súa aposta pola Investigación, o desenvolvemento e a innovación. Os dados de 2013 sinalan que o gasto neste apartado apenas supuxo o 0,85% do Produto Interior Bruto (PIB), un recorte a respecto do ano anterior, que fora de 0,88%. Ese 0,85% supón que o noso país fica por baixo da media estatal (que anda por volta do 1,3% do PIB) e moi afastada da media da Unión Europea, onde esa aposta supón case máis do 2,1 por cento do PIB. Cómpre lembrar que no plan estratéxico deseñado pola Consellería de Facenda para Galiza sitúa como horizonte en 2020 un investimento do 3%. |
PRAZA_6336 | Os conservadores teiman en asegurar que reformarán a lei electoral sen consenso e a escasos meses das eleccións municipais. No seu programa electoral de 2011 Rajoy prometeu non mudar as "normas básicas do Estado" sen "maiorías parlamentarias cualificadas". | "Impulsaremos o establecemento de maiorías parlamentarias cualificadas para a aprobación e modificación dos Estatutos de Autonomía e das normas básicas de funcionamento das institucións do Estado". É a promesa que o PP incluíu no punto 8 da páxina 174 do programa electoral co que gañou as eleccións xerais de 2011. Xusto despois, no apartado 9 e tamén dentro do epígrafe Unha democracia exemplar, prometían "promover a reforma do sistema electoral municipal para respectar a vontade maioritaria da veciñanza garantindo, ao mesmo tempo, a estabilidade dos concellos". Este mércores os conservadores filtrábanlle a El País e El Mundo a súa intención de concretar o devandito punto 9 pasando por riba do 8, isto é, de reformar a lei para ilegalizar os gobernos municipais de coalición aínda que ningún partido máis os apoie. O PP galego saudou con entusiasmo a aposta de Mariano Rajoy. Con Alberto Núñez Feijóo de vacacións foi o vicevoceiro dos populares no Parlamento, Román Rodríguez, o encargado de aplaudirlles aos seus xefes de filas. A través dun comunicado remitido á prensa o parlamentario lalinense baseou a súa adhesión á reforma das regras do xogo electoral a poucos meses da cita coas urnas apelando ao que "nos din tanto a cultura política española como a galega", a saber, que "as coalicións populistas resultantes da agregación de partidos que perden as eleccións crean grandes problemas na xestión municipal do día a día". "Desta experiencia -mantén- parte a proposta electoral do PP, avalada nas urnas por once millóns de votos nas pasadas eleccións xerais". Na mesma páxina do programa electoral o PP prometeu "maiorías parlamentarias cualificadas" para mudar "as normas básicas do Estado" Obviando a inconcreción daquel punto 9 do programa Rodríguez explica que a que veu sendo unha teima recorrente de Feijóo non ten máis obxectivo que a "defensa dos cidadáns" e que "a xestión diaria dos consistorios vaia orientada a dar resposta aos seus problemas". Trátase, afirma, de "reflectir a vontade popular nos gobernos municipais" e de "garantir a gobernabilidade", pasando por riba de que, polo que transcendeu ata o momento, a idea de Rajoy é que un alcalde se faga coa maioría absoluta aínda que conte con apenas o 40% dos votos. Propúxoo o PSOE en 2004? O argumentario estival dos populares para defender esta reforma figura tamén considerar unha "gran insolvencia" que o PSOE rexeite a medida, toda vez que "eles mesmos o propuxeron no seu programa electoral de 2004 sen ser capaces de levalo a cabo". Se ben é certo que os socialistas propuxeron daquela unha reforma electoral non o é menos que non pasaba polo mesmo vieiro que a de Rajoy. Así, a promesa electoral de Zapatero pasaba por unha "elección directa dos alcaldes, en votación diferente pero simultánea á dos concelleiros, nun sistema de dupla volta que reforce a gobernabilidade dos concellos". A reforma, aseguraban, realizaríase co "máximo consenso" e incluiría outros plans como o "desbloqueo das listas electorais, recoñecendo ao electoral a facultade de expresar unha ou varias preferencias entre os candidatos da lista elixida". Estas medidas, de calquera xeito, nunca chegaron a aprobarse. Caballero asegura que o PSOE non negociará esta reforma "nin agora nin nunca" Dende o PSOE, precisamente, chegaba este mércores un novo rexeitamento á reforma de Rajoy por boca do seu secretario xeral, Pedro Sánchez, e tamén a través do alcalde de Vigo, Abel Caballero, na súa condición de vicepresidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) en representación dos socialistas. O seu partido, asegura Caballero, non negociará "nin agora nin nunca" co PP este "intento antidemocrático regresivo". Tras o seu "pésimo resultado" nas europeas, di o vigués, o PP "pretende mudar as regras do xogo para seguir mantendo alcaldías que os votos lles van negar". "Como se pode entender que un 40% sexa maioría absoluta?", pregúntase. Rexeitamento de AGE e BNG O resto do arco parlamentario galego reitera igualmente a súa oposición ao que observan como un "pucheirazo" de Rajoy. "Un poder político en descomposición pola corrupción e a desafección cidadá ameaza con perpetrar outro golpe democrático", di a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, que ve "risible" que o PP enmarque a súa proposta nun "espírito de rexeneración democrática". A modificación, afirma Díaz, só está xustificada "no temor dos populares a que se cumpran os resultados de todas as enquisas, que os deixan fóra das alcaldías". Neste contexto, Alternativa xa rexistrou varias iniciativas ao respecto no Parlamento galego co obxectivo de instar o Goberno central a "non alterar a lexislación electoral sen o máis amplo acordo das forzas políticas sociais do país e do conxunto do Estado". AGE, BNG e CxG ven na medida unha intención autoritaria do PP Tamén en días pasados o BNG se opuxo á reforma, que o seu portavoz nacional, Xavier Vence, identifica coa "negación do pluripartidismo coa intención de impoñer a ditadura da minoría fronte á maioría social que vota nas urnas a forzas políicas que poden pactar entre elas para gobernar un concello con total lexitimidade". "A lista máis votada -evidencia Vence- pode ser minoría nunha Cámara cunha pluralidade de partidos e entón, con que apoios vai gobernar un alcalde que estea en minoría?", pregúntase. Asemade, Compromiso por Galicia, nunha nota remitida á prensa, considera a operación un "golpe autoritario" e anima a rexeitala "nas institucións e na rúa". |
NOS_9452 | Hoxe fai trinta anos do pasamento de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado, tras anos de reivindicación, nas Letras Galegas 2020. Aproveitamos a ocasión para propor unha primeira achega á súa prolífica produción nos distintos eidos, debullando unha figura absolutamente senlleira e poliédrica. | Ricardo Carvalho Calero faleceu o domingo 25 de marzo de 1990. Por iso, como naquela altura -igual que acontece con esta cabeceira- nas segundas feiras non saían os xornais, as necrolóxicas non apareceron até a terza feira seguinte. Nelas, persoeiros como Carlos Casares, Constantino García ou Domingo García-Sabell loubaban a figura. Trinta anos despois do seu pasamento, Calero recupera a actualidade coa dedicación do Día das Letras Galegas. "Carvalho Calero foi o maior e mellor polígrafo da súa xeración", ditamina María Pilar García Negro "Carvalho Calero foi o maior e mellor polígrafo da súa xeración", ditamina María Pilar García Negro, afirmación que cobra todo o sentido se analizamos as seis décadas de vida nas que o ferrolán combinou produción literaria e investigación científica, na estela dos que foran os seus mestres, como Ramón Otero Pedrayo. A segunda dimensión, que a investigadora trata en Ricardo Carvalho Calero. A ciencia ao servizo da nación, recentemente reeditado por Laiovento, arrincou sorprendentemente cedo, xa con colaboracións na época de estudante en publicacións como A Nosa Terra ou Nós. A Guerra Civil sorprendeu Carvalho Calero en Madrid, que foi incorporado ao exército republicano como oficial, pasando por Valencia e Andalucía, onde sería detido e xulgado "por adhesión á rebelión" a 12 anos e un día de reclusión. En 1941 retornou a Ferrol coa obriga de se presentar ante á autoridade militar periodicamente. Após o "terríbel hiato" e malia as difíciles condicións dos anos seguintes, retoma o seu labor "cunha fe enorme na existencia do pobo galego e na necesidade de continuar significando a súa cultura", explica García Negro. Da recuperación da dedicación intelectual xorden múltiples artigos quer na Galiza quer na emigración, así como toda unha serie de resultados entre os que García Negro cita, por dar algúns exemplo, a súa tese de doutoramento, o discurso de ingreso na Real Academia Galega ou a preparación da obra completa de Ramón Cabanillas. Director do colexio Fingoy de Lugo desde 1950, traballa arreo para desenvolver unha experiencia pedagóxica no centro. A historia da literatura Calero publicou en Galaxia a Historia da Literatura Galega Contemporánea, o seu macroproxecto profesional, en 1963. Trátase dunha obra que "aínda non foi superada", comenta Xoán Costa, bo coñecedor da traxectoria do ferrolán. Nela fixo un descomunal exercicio de síntese con absoluto rigor científico, incluíndo auténticos modelos de ensaio literario. Ademais, formulou a definición fundamental da propia literatura galega baixo o criterio básico de "escrita en galego". Así, "Valle-Inclán ou Torrente Ballester non forman parte dela, por máis que sexan galegos de nacemento", explica Costa. A realización non estivo exenta de dificultades, pois as malas comunicacións da cidade de Lugo, onde residía, complicaron o proceso, o que se reflicte na correspondencia que mantiña con Fernández del Riego, o seu principal enlace con Galaxia naquela altura. O resultado serviría de base para a revisión que a Asociación Socio-Pedagóxica Galega desenvolveu en fascículos en colaboración con A Nosa Terra. Estudos lingüísticos Após o paso por Lugo, en 1965 incorpórase como profesor de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Compostela. En combinación coa docencia, desenvolve estudos nos eidos lingüístico e literario. Desta época parte a Gramática Elemental del Gallego Común (1966), obra que tivo moito uso, como constatan as sete reedicións feitas até 1979. Esta foi fundamental á hora de estabelecer un "criterio normativo de mínimos", que definiría o uso da ortografía galega. A pesar da constatación lingüística de que galego e portugués son un mesmo sistema lingüístico, "Carvalho foi utilizado como lanza", di Costa, para separar as dúas posturas enfrontadas. Mentres as partidarias da norma oficial o acusarían de propiciar o afastamento, desde parte do movemento reintegracionista pretendían ir máis lonxe. Alma poética Aínda que as circunstancias o levaron a consagrarse á produción ensaística e investigadora, "Carvalho sempre se reivindicou como poeta". Porén, é este aspecto da súa produción unha das súas facetas menos coñecidas. A comezos deste ano vía a luz Beleza, Verdade, un libro no que Pilar Pallarés recolle a poesía do que fora o seu mestre. Non era a primeira vez que Pallarés escolmaba a obra poética de Carvalho Calero. Xa en 1992, por encarga da sociedade Valle-Inclán, editou o volume Fillo de Eva. Esta supuxo para ela "unha descuberta" desta cara máis descoñecida, mais que chegaría a admirar profundamente. Cando Antón Lopo lle encargou para Chan da Pólvora unha segunda antoloxía (aínda non por motivo das Letras Galegas), "parecíame difícil facer unha escolla diferente", comenta. Pero a distancia, a perspectiva dos anos, déixase ver nas decisións que se agochan tras este novo libro. Dunha banda, desde a posición creadora, optou agora por respectar os desexos do profesor, recollendo só o que na década dos 80 el mesmo editou. "Non son ninguén para seleccionar de maneira diferente a como o fixo el", confesa Pallarés. Fronte á primeira antoloxía, en 'Beleza, verdade' "descubrín un Carvalho autor de poesía de carácter político", afirma Pallarés Doutra banda, fronte á primeira antoloxía, en Beleza, verdade "descubrín un Carvalho autor de poesía de carácter político". Na primeira escolma, di Pallarés, "talvez pola xuventude, deixeime levar por liñas de fondo moi contundentes". Así, fixo caso das definicións de Carvalho da súa propia poesía recollida en textos en prosa, como o publicado a respecto de Cunqueiro na revista Grial, ao que o propio título da antoloxía fai referencia na concepción dos "fillos de Eva" como "fillos da culpa", produto do ser humano na sociedade occidental, fronte aos "fillos de Lilith", anterior ao pecado orixinal e, polo tanto, alleo a el. "Hoxe poríao en cuestión. Carvalho é un relativista", explica Pallarés. Así, trata de reflectir a dimensión múltipla do poeta como ser humano: "Non existe unha única verdade. Carvalho é moitas cousas, é simultaneamente un fillo de Eva e un fillo de Lilith". A do ferrolán, "sendo unha poesía esteticamente moi diversa e heteroxénea, ten pouca relación formal" entre as distintas achegas. Desde a vangarda ao existencialismo, pasando polas abordaxes do mito ou a proximidade ao cotián, Calero móvese no poético coa mesma multidisciplinariedade que o distinguiu noutros eidos. Se nos últimos libros podemos atopar unha poesía "moi fermosa", que chega se cadra "máis facilmente ao lector", outras obras presentan un verso de carácter siloxístico, narrativo ou mesmo antipoético. "Non existe unha única verdade. Carvalho é moitas cousas, é simultaneamente un fillo de Eva e un fillo de Lilith", considera Pallarés "É como se fose moitos autores", resume Pallarés. Non obstante, desde a poesía da adolescencia de Vieiros (1931) até a edición póstuma de Reticencias... (1986-1989) "hai unhas liñas de forza e visión da existencia que están sempre presentes". É unha ollada de carácter reflexivo, cunha loita entre "lanzarse a vivir e o peso da razón e a culpa", que define unha poesía "aparentemente estraña" no panorama galego, mais "perfectamente inserida nas correntes do século XX a nivel europeo", do que o propio Calero se definía como "fillo perfecto". Narrador e divulgador Os catro relatos de Xente na Barreira constitúen a primeira novela publicada en galego tras a posguerra, mais se cadra a súa obra en prosa máis celebrada é Scórpio (1987). Nela salienta a técnica, formulando unha personaxe protagonista que nunca aparece, senón que tanto ela como o contexto se presentan a través dos demais, nun relato que disecciona a sociedade dos primeiros anos da década dos 30. Así mesmo, a súa vertente teatral foi pouco representada, en boa medida por mor da censura, reducindo a posibilidade de que obras como Farsa das Zocas subisen ás táboas practicamente ao grupo de teatro do colexio Fingoi. "A súa produción cuantitativamente fecunda, mais dunha calidade incomparábel, non ten parangón", afirma García Negro Na súa derradeira etapa vital desenvolveu unha actividade incesante, entre a que tamén destaca a divulgación en artigos en prensa diaria ou publicacións de asociacións culturais. "A súa produción cuantitativamente fecunda, mais dunha calidade incomparábel, non ten parangón", afirma García Negro. E o que é máis importante: relida hoxe conserva o atractivo, cunha "erudición que demostra o entusiasmo e o afán por dignificar a lingua e transmitir sempre, a pesar das condicións tan desfavorábeis, a esperanza de que veremos rectificar a historia". |
NOS_23333 | O combinado dirixido por Iván Cancela deu mostra no encontro, que tivo lugar no campo principal da Cidade do Fútbol de Las Rozas (Madrid), da competitividade e a intensidade do xogo que o caracteriza, superando Euskadi por 3-2. | A selección galega de fútbol logrou a clasificación para disputar a final a catro da UEFA Regions Cup após superar a de Euskadi (3-2) no último partido da fase intermedia da competición. O combinado dirixido por Iván Cancela deu mostra no encontro, que tivo lugar no campo principal da Cidade do Fútbol de Las Rozas (Madrid), da competitividade e a intensidade do xogo que o caracteriza, adiantándose no minuto 15 de partido. Os goles de Adri Castro -por partida dupla- e Iker Hurtado fan posíbel que a selección galega compita durante a Semana Santa contra as de Andalucía, Estremadura e Baleares nunha final a catro da que o gañador recibirá como recompensa a clasificación para a fase final europea. |
NOS_39799 | Lazos Pro Solidariedade vive unha situación crítica, cun aumento exponencial da demanda e cada vez menos recursos: o concello recortou nun 70% o orzamento para a asociación desenvolver o seu labor. Nunha conferencia de prensa esta mañá, no seu local, presentaron unha campaña apoiada por outros 15 colectivos. | A asociación, fundada no ano 95, traballa en dúas frontes: canto ao VIH, tanto en prevención e detección precoz como no tratamento, e no terreo da exclusión social: "aquí houbo un aumento exponencial da demanda", conta Carlos Varela, presidente do comité. Como exemplo, neste primeiro semestre do 2012 recibiron a mesma demanda que ao longo de todo o 2011, "todo isto nun escenario de recortes global do 50% con respecto ao ano pasado, e, por parte do concello, de até o 70%". Cada vez hai menos recursos, mais a demanda sobe: Ferrol é a segunda urbe galega, despois da área sanitaria da Coruña, en casos de VIH diagnosticados. A exclusión social tamén é cada vez maior, con motivo da crise: "persoas que non eran usuarias deste servizo, agora veñen demandando alimentos e cousas básicas". A redución orzamentaria supúxolles ter que prescindiren de dúas persoas na equipa técnica: "isto cambiou a ratio de 12 usuari@s por profesional a 35 por cada un/ha. Se unha persoa vén facerse a proba do VIH, temos que deixar de atender outras 34". Salienta Varela que este servizo público que realiza a asociación é responsabilidade das administracións: "son quen se terían que ocupar, e se non o fan, cando menos dotar de recursos este servizo, non suprafinanciaren proxectos que teñen unha estrutura ideolóxica que sitúa as persoas na exclusión social crónica", referíndose a proxectos de tipo asistencial ou caritativo: "Eu, que teño, doulle a quen non ten. Mais a inclusión social é outra cousa: significa darlles oportunidades ás persoas, facelas partícipes, coa democracia real como obxectivo". Lazos Pro Solidariedade leva un ano demandando unha reunión co rexedor ferrolán, mais agora a situación é límite: "non ten volta atrás, esperamos que con esta denuncia de hoxe se dean de conta". A asociación chega a un punto en que se pon en cuestión a continuidade da súa actividade, e fala de peche a partir de setembro. Queren facer ver, sobre todo, que o seu traballo, alén do beneficio económico, significa tamén o social: unha persoa con VIH diagnosticada e ben tratada supón un aforro de máis de 40.000 euros ao ano; ademais, se estas persoas participan en proxectos, deciden a actividade que queren desenvolver, mesmo dirixen algunhas, estarán a funcionar autonomamente, e estaranse a activar mecanismos de participación cidadá. Agora queda que as administracións tomen conciencia. |
NOS_20556 | O profesor de Dereito Procesual da Universidade da Coruña e membro do colectivo Esculca, David Soto, analiza neste artigo as últimas sesións do xuízo que se está a seguir pola convocatoria do referendo do 1 de outubro de 2017 en Catalunya. Eis un extracto da análise, publicada no número 346 do semanario en papel Sermos Galiza. | T odo proceso xudicial ten o seu aquel de obra dramática, coa súa escenografía, os papeis ben definidos de cada parte, a súa solemnidade propia da traxedia ou, incluso, un vestiario do máis particular. Tanto será así que ata o nome técnico de quen instan a actuación dos tribunais é o de "actores". Isto ten unha certa relevancia, porque toda peza teatral tráxica provoca unha catarse. Xestada no eido cultural do mundo helénico, o concepto de catarse refírese ao efecto que produce a representación teatral da traxedia no público. O público visualiza o castigo que padecen os protagonistas, homes –e mulleres- cuxa soberbia ou hybris desafía os deuses, e a partir da visualización dese castigo, redimen as súas baixas paixóns sen padecer nas súas carnes o castigo. Noutras palabras, a catarse educa o vulgo, instruíndoo sobre aquilo que lle está permitido facer e aquilo que lle é vetado. Pensemos por un momento no xuízo ao procés. A semana pasada desfilaron ducias de testemuñas que relataban como o 1 de outubro de 2017 foran votar ao seu colexio electoral habitual. A Fiscalía teimaba en reiterar a cada unha delas a mesma pregunta: coñecía vostede a prohibición do referendo por parte do Tribunal Constitucional e a orde do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña no sentido de impedir a votación aquel día? A pregunta ten a súa miga. Se miramos para o artigo do Código Penal que regula a sedición, lemos: "son reos de sedición os que, sen estaren comprendidos no delito de rebelión, se alcen pública e tumultuariamente para impedir, pola forza ou fóra das vías legais, a aplicación das leis ou a calquera autoridade [...] o cumprimento [...] das resolucións xudiciais". Así as cousas, e descartada por absurda a hipótese do alzamento violento, parece meridianamente claro que a Fiscalía optara por que o tribunal condene os acusados por sedición e, xa que logo, serían instigadores dun acto de desobediencia masivo cara a unha resolución xudicial, o que levaría a impoñer penas de até quince anos de prisión. Proceso-traxedia A desproporcionalidade da consecuencia penal salta á vista, pero reparemos outra vez no carácter dramático do acto. Preguntémonos pola catarse nesta peza tan particular. Noutras palabras, cal é a mensaxe que procuran os actores do proceso-traxedia transmitir ao vulgo estes días? Imos ver. Póñanse en situación: este 26 de maio están chamadas e chamados a votar nos comicios municipais e europeos. Deixarían de facelo se chegan a coñecer que un tribunal ordinario manda paralizar o proceso de votación? Deben estar as resolucións xudiciais por riba do dereito ao sufraxio, a partir do cal se constrúe a lexitimidade democrática do noso sistema político? Poñámolo con outras palabras: debemos entender que unha resolución xudicial calquera –incluso a dun tribunal competente- pode paralizar un proceso de conformación da vontade popular? [Podes ler a análise íntegra no número 346 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_6725 | Após anos de loita e sufrimento, o dereito a morrer dignamente será realidade ao aprobarse onte a lei orgánica para a regulación da eutanasia. É esta unha longa loita que libraron na Galiza múltiples colectivos e persoas, entre as que ten nome propio o de Ramón Sampedro, cuxo caso foi o primeiro en chegar ao Supremo. | O pleno do Congreso aprobou definitivamente a lei para a regulación da eutanasia, logo de o Senado darlle luz verde na semana pasada. A normativa, que entrará en vigor aos tres meses de publicarse no Boletín Oficial do Estado (BOE), estabelece que esta práctica poderá levarse a cabo a pacientes que a soliciten e que se atopen nun contexto de "padecemento grave, crónico e imposibilitante ou enfermidade grave e incurábel, causantes dun sufrimento intolerábel". O paciente deberá ter "nacionalidade española", residencia legal ou certificado de empadroamento que acredite un tempo de permanencia no Estado superior a 12 meses, así como ter maioría de idade e "ser capaz e consciente no momento da solicitude". Se o paciente está consciente, debe solicitar a eutanasia dúas veces por escrito (ou por outro medio que deixe constancia se non pode escribir) en dous documentos separados por 15 días, facendo patente que non é "resultado de ningunha presión externa". Após a primeira solicitude, a médica ou médico responsábel informarao do diagnóstico, posibilidades terapéuticas e resultados esperábeis, así como de posíbeis coidados paliativos, asegurándose de que comprende a información que facilita". Despois, o paciente deberá confirmar a súa intención. Aínda así, após a segunda solicitude debe haber unha nova reunión entre ambos. Será este médico quen autorizará o proceso, mais antes ten que pedir a opinión dun facultativo formado no "ámbito das patoloxías que padece o paciente" pero que non sexa do seu "mesmo equipo médico". Así mesmo, a comisión de avaliación autonómica (cuxa formación está especificada tamén na norma) deberá elixir dous expertos (un deles xurista) que avalíen o caso. Estes dous expertos deberán estar de acordo na súa decisión, xa que, pola contra, será o pleno da comisión quen decida. Aliás, a lei recolle que o persoal sanitario directamente implicado nesta prestación "poderá exercer o seu dereito á obxección de conciencia", un reparo que "deberá manifestarse anticipadamente e por escrito". PP e Vox votan en contra da lei que recoñece o dereito á morte digna A lei de regulación e despenalización da eutanasia saíu aprobada no Congreso por 202 votos a favor, 141 en contra e dúas abstencións. O Partido Popular, Foro Asturias, a navarra UPN e Vox rexeitaron a norma. A deputada ultradereitista, Lourdes Monasterio, adiantou que Vox presentará un recurso ante o Tribunal Constitucional e solicitará a paralización da norma até que non haxa sentenza. O deputado popular José Ignacio Echániz afirmou que a lei de eutanasia é un "atentado" contra o respecto á vida e dignidade humanas e un "acto antimédico". Ao seu xuízo, é unha "irreponsabilidade" que se aprobe esta lei no Estado "sen desenvolver antes" os "indispensábeis e raquíticos" coidados paliativos. "A partir de hoxe os máis fráxiles teñen motivos para o medo, desasosego e desconfianza", sentenciou Echániz. |
NOS_48913 | A velocidade está limitada temporalmente a 30 km/hora | A circulación no tramo do municipio de Quiroga onde onte á noite descarrilou un tren Alvia quedou restablecida, aínda que a velocidade está limitada temporalmente a 30 quilómetros por hora. Segundo informou Adif nas súas redes sociais, o tráfico ferroviario recuperouse após as 11 deste sábado. A circulación no tramo entre San Clodio e Freixeiro estaba interrompida desde esta sexta feira, a consecuencia do incidente rexistrado no Alvia que realizaba o traxecto entre Barcelona e Vigo. Descarrilamento O tren Alvia descarrilou á altura do municipio lucense de Quiroga por mor dun desprendemento de terra. Ningún dos 191 pasaxeiros que viaxaban no convoi resultou ferido. Usuarias de Renfe critican a "discriminación" do galego no servizo ferroviario Pasadas as 21 horas, saía da vía, segundo sinalou o 112, o primeiro eixo da primeira composición do tren. O servizo de emerxencias recibiu o aviso do descarrilamento a través de Adif. O desprendemento de terra, tal e como confirmaron Renfe e Adif, provocou o desvío doutros trens Os feitos sucederon entre San Clodio de Quiroga e Freixeiro, á altura do punto quilométrico 500 da N-120. Con estes datos, o 112 requiriu a intervención do GES de Quiroga-Folgoso do Courel, das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Quiroga e de Ribas de Sil e dos axentes da Garda Civil, que colaboraron co persoal de seguridade de Adif no transbordo dos pasaxeiros a outro tren, procedente de Ponferrada, que levou á pasaxe até a estación de San Clodio, onde esperaban varios autobuses para levar os pasaxeiros aos seus destinos. Desvíos e traslados en autobús O desprendemento de terra, tal e como confirmaron Renfe e Adif, provocou o desvío doutros trens. Así, os viaxeiros do Alvia 621 que realizaba o traxecto Vigo-Barcelona ás 6.30 horas tiveron que viaxar por estrada entre Vigo e Ponferrada. Xa de Ponferrada a destino, a viaxe continuou en tren. A Comisión Europea confirma que Bruxelas investigará se o Estado cumpre en materia de seguridade ferroviaria Tamén se viron afectados o Rexional das 6.15 horas de Ponferraa a Ourense, cuxos viaxeiros realizaron o traxecto por estrada; e o Alvia de Vigo a Barcelona das 7.42 horas, cuxos clientes tamén chegaron por estrada até Ponferrada. |
PRAZA_18374 | No primeiro trimestre do ano naceron 4.052 nenos e nenas, un 8% menos que no mesmo período de 2017, que foi o ano cunha menor taxa de natalidade na historia. O treito de idade entre os 35 e os 39 anos é xa o máis habitual para que as mulleres galegas teñan fillos | O ano 2017 foi o ano con menos nacementos en Galiciia dende que hai rexistros. Foron un total de 18.413, case 600 menos que en 2016 (19.062) e situáronse por debaixo do dato de 1998, o anterior mínimo histórico (18.538). Os primeiros datos deste ano 2018, correspodentes ao primeiro trimestre apuntan a que a tendencia negativa se consolida, cun novo descenso con respecto ao ano pasado. Así, nos tres primeiros meses naceron 4.052 nenos e nenas, un 8% menos que no mesmo período de 2017 e moi lonxe dos rexistros de hai unha década (5.414). Estes datos confirman ademais os escasos efectos sobre a nataldade das medidas postas en marcha pola Xunta a finais de 2015: o cheque bebé e a tarxeta benvida. Dende o Goberno galego sempre se argumentou que os efectos destas medidas só se poderían ver no medio e longo prazo. A crise demográfica galega está cada vez máis presente do debate político, o mesmo que a demanda de medidas máis ambiciosas para favorecer a conciliación. O último Eurobarómetro amosa que os españois e as españolas están entre os europeos e europeas máis descontentas coa conciliación da vida laboral e familiar. O cativo número de nacementos fai, igualmente, que se incremente a fenda co crecente número de defuncións, elevando o saldo vexetativo negativo. No primeiro trimestre faleceron 9.718 persoas en Galicia, duplicando amplamente o número de nacementos. Chama a atención, igualmente, o continuado incremento da idade media da maternidade. Dende hai anos, o treito de idade entre os 35 e os 39 anos é xa o máis habitual para que as mulleres galegas teñan fillos. No primeiro trimestre de 2018 case a metade dos nacementos foron de nais por riba dos 35 anos. |
PRAZA_13887 | O Bloque anuncia que non estará no pleno onde se trate a tesoirada ao Parlamento nin participará en conversa ningunha sobre unha reforma que cualifican de "golpe de estado". "É o epílogo indigno do peor presidente da historia de Galicia", asegura. | O BNG rebélase. A formación nacionalista vén de anunciar este mércores que non participará no "debate falso" sobre a redución de deputados no Parlamento galego e pola que o PP e a Xunta pretenden eliminar 14 deputados, pasando a Cámara dos 75 actuais aos 61. Así, o Bloque asegurou que non estará "nin por activa nin por pasiva" en conversa ningunha. Ademais, advirten de que iso inclúe non participar no pleno se ao final a medida se debate nel. "É unha fraude electoral e un epílogo indigno do peor presidente da historia galega", sentenciou o voceiro nacional, Guillerme Vázquez. O BNG insta a sociedade a rebelarse contra "a fraude electoral" que pretende o PP Tanto Guillerme Vázquez como a portavoz parlamentaria, Ana Pontón, confirmaron esta decisión que será trasladada tamén ao PPdeG en resposta ao correo electrónico que o popular Pedro Puy remitiu aos seus homólogos na Cámara galega para facer chegar a proposta de reforma da Lei electoral, que unicamente implica esta redución, mentres mantén o fixo de 10 parlamentarios por provincia e teima na redución da pluralidade e no aumento das dificultades para obter representación parlamentaria por parte dos partidos minoritarios. Do mesmo xeito, o BNG cre que é a hora de que a sociedade en xeral se una na loita contra o que cualifican de "fraude electoral". Así, instan ás asociacións e axentes sociais e ao pobo en xeral a que manifesten a súa opinión para "impedir que se consome" o que o Bloque considera "un golpe de estado"."É tráxicoque Feijóo pase á historia como un presidente indigno que quixo manterse no poder a calquera prezo e custe o que custe", rematou Guillerme Vázquez. |
NOS_16959 | O sindicato considera que, de manterse esta situación, en outubro habería que dar unha resposta que "paralizase a comarca" | Malia a importante destrucción de empregos destes meses, do sector naval de Ferrol dependen uns 17.000 postos de traballo.Por iso a importancia nesta comarca de todo o que atinxe ao naval. "O tempo esgótase para o naval", aseveran desde a CIG de Ferrol. E con esta premisa por diante, a central nacionalista considera que é o momento de dar un paso máis, intensificando o ton das protestas e implicando nelas a toda a cidadanía da comarca de Ferrolterra. Diante da falta de avances na concreción para a data da Comisión de Seguimento do Dique flotante, a ausencia de novos contratos para o naval e os reiterados incumprimentos coa bisbarra, a CIG aposta por dar "unha resposta contundente no mes de outubro e paralizar a comarca para esixir unha resposta política que garanta o mantemento e a recuperación do sector naval público na Ría". Desde a sección sindical da CIG en Navantia puxéronse en cuestión as informacións interesadas emitidas dende o Goberno galego, nas que se augura o próximo anuncio dun contrato coa petroleira mexicana Pemex, que nesta volta consistiría nun buque hotel, unha vez que, tal e como advertiran os Comités, os prometidos quimiqueiros non irán parar ás instalacións ferrolás. Informacións que non foron realizadas de xeito oficial nin confimadas por ningunha das partes. Peche Membros do Comité de Empresa e delegados das empresas auxiliares manteñen o peche indefinido na Casa do Concello de Ferrol, que se prolonga xa unha semana, para denunciar a situación do naval e o incumprimento, incidindo no dique flotante. Os traballadores anunciaron que intensificarán as mobilizacións en demanda de carga de traballo para os estaleiros, a construción do dique flotante e o cumprimento dos compromisos adquiridos polas administracións co sector nos últimos anos. |
NOS_50483 | 'Mulleres [Rur]urbanas' chega a Pontevedra esta quinta feira | Un cento de retratos fotográficos, impresos a gran tamaño, van ser colocados na fachada da Casa Consistorial, da Facultade de Belas Artes e da Casa das Campás e de Pontevedra. O obxectivo? Reivindicar o esquecido (mesmo desprezado) rol das mulleres do rural galego. Esta actividade forma parte do Inside Out: Mulleres [Rur]Urbanas, unha proposta de intervención artística xurdida co impulso da cooperativa cultural 7H e co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e a concellaría de Igualdade Pontevedra. A iniciativa verá a luz a quinta feira 12 de marzo, dentro das accións do proxecto colectivo de arte urbana máis grande do mundo, o Inside Out. Este foi creado en 2011 polo artista francés JR e desenvolveuse en máis de 1.801 localizacións de 142 países, de Shangai á Habana, co propósito de transformar o espazo público a partir do uso da arte de rúa como ferramenta de expresión comunitaria. Fiel a este espírito, o grupo de acción conformado por 25 estudantes de Belas Artes coordinados por 7H trae por primeira vez á Galiza este proxecto co fin de "reivindicar a importancia do colectivo na construción identitaria" e de introducir a idiosincrasia do rural e das mulleres que o habitan en espazos reservados tradicionalmente aos sectores masculinos, ilustrados e urbanos. Desde o pasado mes de outubro, o alumnado recolleu testemuños dun centenar de mulleres de diversas idades e ocupacións, que posteriormente retratou tentando captar "a forza das súas historias de vida". O resultado deste labor de diálogo e descuberta interxeracional desvelarase a quinta feira cando as fotografías en branco e negro se colocarán nos exteriores dos edificios escollidos. A instalación, nada cunha duración deliberadamete efémera, iniciarase arredor das 8.30 da mañá e finalizará sobre ás 18 horas, coa presenza dalgunhas das mulleres retratadas. Todo o proceso será documentado e compartido tanto nas redes sociais como na propia plataforma web do Inside Out, na que se compilan todas as accións levadas a cabo ao seu abeiro. Con estes actos Pontevedra pasará a formar parte dunha plataforma global na que calquera colectivo que o desexe pode converter o espazo público no seu soporte de expresión. Inside Out leva nove anos convertendo as rúas de medio mundo en galerías de arte ao ar libre través de procesos participativos baseados no uso da fotografía. |
PRAZA_396 | Non é posible conformar un discurso político actual sobre a defensa da nosa identidade, sen antes analizar con rigor e fincarlle o dente á lipotimia do devalo demográfico que nos extingue sen remedio. Mentres tanto, menos metafísica e máis política | "Os outros não são para nós mais que paisagem, e, quase sempre, paisagem invisível de rua conhecida." (O livro do desassossego, Fernando Pessoa). Hai cousa dúas semanas, mentres enguliamos un rutineiro taco das once, como non tiñamos de que falar, puxémonos a latricar sobre as trangalladas que desbravan aos eximios portentos do pesoé Hai cousa dúas semanas, mentres enguliamos un rutineiro taco das once, como non tiñamos de que falar, puxémonos a latricar sobre as trangalladas que desbravan aos eximios portentos do pesoé. Entre os bocados do compango e os tragos de café morno, o meu amigo Delfín mudou a conversa para reflexionar en alto sobre o noso devir como País, aseverando que tal e como están a acontecer as cosas, dentro de pouco, se cadra, a única comunidade do Estado con identidade propia vai ser a que se atopa alén de Despeñaperros. Se Catalunya e Euskadi deciden tocar a chanca e nós ímonos esmorecendo docemente, sen tusir, Andalucía será o último pretexto dos rosmóns madrileños, para baduar contra os sempiternos inadaptados da periferia. A piques de irmos cara a casa, porque ía chegando a hora de xantar, acordamos tomar un vaso e incorporouse á leria –e ao vaso- o autor de Miss Ourense, Bieito Iglesias, quen no canto de levar a contra, déuselle por razoar na mesma dirección. De maneira que, despois de disertar sobre as causas polas que Galicia se vai esfumando pouco a pouco, ata desangrarse sen remedio, púxoseme a argumentar sobre os elementos diferenciais da cultura e da identidade andaluza, sobre as súas orixes e mesmo sobre como a "españolidade oficial" se enzoufou de andalucismo, para acabar concluíndo que non imos tardar en ver como o pesoé se converte nun residual partido andalucista. Daquela, penso que se é certo que o pesoé non vai tardar en perder o posto de correúdo piar do Estado, tan ben preservado xuntamente co pepé, pronto se farán cargo do pendón os novos patriotas que emerxen dende a mesma cerna da troglodita capital da España "una y trina", definidos por outro amigo meu coma "lo que Podemos ser, nunca lo seremos". Non é posible conformar un discurso político actual sobre a defensa da nosa identidade, sen antes analizar con rigor e fincarlle o dente á lipotimia do devalo demográfico que nos extingue sen remedio Xa contra a noitiña, o amigo Xosé Carlos Sierra regaloume un libro deses que ás veces aparecen coma vagalumes para alumar un chisco na nocturna escuridade do noso País, para facernos reflexións sobre as nosas doenzas actuais, e para axudarnos a atopar o facho que nos faga mirar cara o futuro, se é que aínda existe. Estoume a referir a Galicia: un pobo con futuro? O noso devalo demográfico de Manuel Blanco Desar, coeditado por Xerais e o Museo do Pobo Galego. Ah! O meu tío Lisardo, despois de repasar e compartir tan prezado agasallo, coida que non é posible conformar un discurso político actual sobre a defensa da nosa identidade, sen antes analizar con rigor e fincarlle o dente á lipotimia do devalo demográfico que nos extingue sen remedio. Mentres tanto, menos metafísica e máis política. Pois, como diría Pessoa, xa hai metafísica dabondo en non pensar en nada. |
NOS_46026 | A Plataforma SOS Patrimonio Monte do Gato Seselle presenta alegacións ao parque eólico Penas Boas e reclama unha exhaustiva análise de sinerxias sobre a Ruta Xacobea dos proxectos Felga, Gato, Feás, Fontella e Seselle pola grande dimensión dos aeroxeradores e a súa proximidade ao Camiño Inglés a Compostela. | Varios colectivos e entidades agrupadas na Plataforma SOS Patrimonio Monte do Gato Seselle consideran "insostíbel" a implantación de aeroxeradores de gran porte na contorna do Monte do Gato, no corazón da Reserva da Biosfera das Mariñas e Terras do Mandeo, pois, segundo indican nun comunicado, "nos plans da promotora do parque eólico Penas Boas, estase a falar de máquinas de 4,2MW, 123 metros de fuste e 150 metros de diámetro de rotor chegando a alcanzar os 200 metros de altura en punta de pa". Para este colectivo "é ilusorio pretender, como afirma a empresa promotora Greenalia, que este tipo de instalacións, ubicados en cotas que van desde os 515 aos 527 metros na atalaia natural do Monte do Gato non terán apenas impacto na Ruta Xacobea, dado que en liña recta o Camiño Inglés sitúase a menos de 14 quilómetros e en relación co Camiño do Norte atópase incluso máis próximo". Ademais, apuntan que "hai que sumar o impacto acumulado dos outros cinco parques eólicos proxectados na zona, como son o Felga e o Gato, tamén de Greenalia, e o Feás, o Fontella e o Seselle, promovidos pola empresa Galenergy". Nestes casos, a distancia ao Camiño Inglés a Santiago é de 8,5 km. (Felga), 10 km. (Gato), 11 km. (Feás), 10 km. (Fontella) e 8,5 km. (Seselle). Por este motivo, a plataforma reclama unha análise profunda do impacto desta rede de 6 parques eólicos e 40 aeroxeradores, razón pola que está a preparar a correspondente solicitude de amparo a Federación de Asociacións do Camiño de Santiago ante o que considera unha situación de todo insostible non só no referente á protección do medio ambiente, senón a nivel patrimonial. Respectar os valores do Camiño de Santiago A entidade lembra que desde 1993, "o Camiño de Santiago está declarado Patrimonio da Humanidade, ademáis de ser un Ben de Interés Cultural de incomparable beleza patrimonial e paisaxística en activo durante máis de mil anos", segundo a Unesco "seguindo todavía as súas traxectorias orixinais e conservando as súas características históricas como testemuña destacada do poder e a influencia da fe entre as persoas de todas as clases sociais e orixes na Europa medieval". Por estes motivos afirman que non poden entender "como, en pleno Xacobeo 2021, pode plantexarse a tramitación de tales proxectos, cun declarado impacto visual sobre unha das mellores paisaxes do norte galego, única polas súas características e singularidade e un ben a protexer, respectar e mellorar para as xeracións que están por vir". |
NOS_28937 | O sindicato nacionalista saíu á rúa esta terza feira para reclamar políticas públicas e salarios dignos que permitan acabar coa "carestía da vida e as consecuencias da guerra". | A aprobación por parte do Consello de Ministras e Ministros do plan de resposta ás consecuencias da guerra en Ucraína anunciado polo Goberno estatal mobilizou apenas 24 horas despois o sindicato CIG, que esta mañá manifestouse nas principais cidades da Galiza para reclamar "medidas de intervención pública na economía e cambios profundos nas políticas económicas e fiscais para facer fronte ao desmesurado incremento da carestía da vida".O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, asegurou que a resposta á pobreza non poden ser máis políticas neoliberais nin que se pretenda impor, baixo a coartada do conflito na Ucraína, a contención salarial, impedindo así a recuperación do poder adquisitivo dos soldos e consolidando a pobreza laboral. A CIG exixe a Goberno español e Xunta a intervención pública do sector eléctrico e dos combustíbeis Carril cualificou de ineficientes e totalmente insuficientes as medidas anunciadas por Pedro Sánchez, pois decretar unha rebaixa de 20 céntimos nos combustíbeis sen limitar os prezos para a gasolina e o gasóleo non impedirá que sigan subindo. "Consideramos que, mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta, débese fixar un prezo máximo de gasolina e o diésel, durante seis meses, tomando como base o importe medio que existía en gasolineiras o 24 de febreiro de 2022", explicou. Sistema eléctrico Carril chamou o Goberno a unha intervención pública decidida no sector eléctrico "para fixar unha tarifa que poida garantir unha vida digna e o desenvolvemento dunha actividade económica, social e industrial que cree postos de traballo e que permita o desenvolvemento dun proxecto de vida". Lembrou que "existen mecanismos legais para facelo", polo que instou á creación dunha tarifa especial coa fixación dun prezo de referencia para que o custe final de consumidores domésticos e profesionais que teñen unha potencia contratada entre os 10 e os 15 kw/hora, que oscile entre os 10 e os 60 euros por megavatio hora. A súa proposta tería unha duración de 24 meses, revisábel cada tres, até a estabilización dos prezos dos últimos anos, precisou. Neste sentido, reclamou unha Tarifa Eléctrica Galega mediante a eliminación do pagamento da peaxe de transporte e aplicando unha redución de 10% da tarifa mensual a quen teña o seu domicilio na Galiza e pediu modificar o sistema tarifario, limpando a factura dos cargos sen relación directa co funcionamento do sistema. Salarios dignos A estas medidas o sindicato nacionalista suma outras destinadas a garantir salarios dignos, como fixar o SMI en 1.167 euros ao mes -60% do salario medio do Estado español, tal como recomenda a Carta Social Europea-, que os incrementos salariais se sitúen nos 1.226 euros/ano lineais, incluír en todos os convenios a cláusula de revisión salarial con carácter retroactivo conforme ao IPC interanual acumulado e que se aproben as medidas necesarias para que as auditorías retributivas e os plans de igualdade sexan unha realidade de obrigado cumprimento. O sindicalismo galego sae á rúa para reivindicar a "plena vixencia" das loitas obreiras de 1972 Sobre o incremento do Ingreso Mínimo Vital, Carril cuestionou o carácter limitado desta axuda e pediu que se estabeleza unha renda de inserción laboral e social na mesma contía do SMI para as persoas maiores de 18 anos que non cobren ningún tipo de prestación económica. ERTE No ámbito laboral, ante a previsíbel proliferación de ERTE, e co obxectivo de salvagardar os empregos e as condicións laborais e retributivas, a CIG defende que se prohiba que as empresas poidan compaxinar a aplicación dunha regulación temporal con outras medidas de recorte. |
NOS_13007 | Durante tres días, do 19 ao 21, Pontevedra ponse poética e recibe a máis dunha dúcia de creadores que ofrecen ao público a súa poesía. Con varios encontros diarios, o Pontepoética consolídase na súa terceira edición. | Claudio Rodríguez Fer, Marta Dacosta, Roger Wolfe, María do Cebreiro, Lino Braxe, Claudio Pozzani, Rosa Alice Blanco ou Biel Mesquita son algúns dos nomes que presentarán ao público as súas obras no programa de Pontepoética, o festival de poesía que se desenvolverá en Pontevedra do 19 ao 21 de abril. Promovido pola Concellaría de Cultura de Pontevedra, organizado polo Ateneo e dirixido por Yolanda Castaño, Pontepoética quere achegar ao público as novas tendencias de creación poética, achegando á diversidade de rexistros e con convites a destacados nomes doutras linguas, con especial atención ás literaturas peninsulares. "Trátase dun dos poucos festivais de poesía e conta mostrar a diversidade da creación poética. Temos sempre unha presenza importante de mulleres, variedade xeracional e de rexistros creativos e tamén de linguas. Hai representantes de todas as literaturas peninsulares e contamos tamén con convidados doutros países, neste caso de Italia" explica Yolanda Castaño. Poesía en aberto "Con carácter aberto e gratuito, o Pontepoética quere achegar a poesía ao público, mostrar a súa boa saúde e a súa conciencia crítica, alén de ofrecer un discurso distinto ao dominante" engade a directora do festival. O programa comezará o propio venres cun encontro co alumnado dos centros de ensino secundario de pontevedra para, xa á tarde, inaugurar os espectáculos públicos cun recital no Teatro Principal lás 18.30 con Claudio Rodríguez Fer, Marta Dacosta e Roger Wolfe, un creador que o festival recupera polo carácter subversivo do seu discurso. A seguir, por volta das 20:00, Raquel Lanseros, Lino Graxe e Rosa Alice Branco ofrecerán os seus versos ao auditorio do Teatro Principal. A xornada rematará levando a poesía a un local nocturno por medio da performance poético musical, "A marcha da sombra" do italiano Claudio Pozzani. Para o sábado o festival ofrece un recital ás 18.30 con María do Cebreiro, Biel Mesquida e Claudio Pozani para pechar cun encontro ás 20:00 no Principal co conxunto de poetas participantes. Para o domingo, a Fundación Cuña-Casasbellas acollerá aínda o obradoiro poético de Kirmen Uribe. O Pontepoética é un dos tres programas estábeis que coordina a poeta Yolanda Castaño que dirixe asimesmo o ciclo mensual Poetas Di(n)nversos da Coruña e o obradoiro de tradución poética que este ano desenvolverá en outono a súa segunda edición |
NOS_16290 | O goberno enviou a Madrid o seu informe favorábel ás aspiracións da solicitude de prórroga da pasteira. | A Consellaría de Medio Ambiente remitíu ao Ministerio de Medio Ambiente o informe que o departamento estatal lle solicitara ao organismo autonómico en relación á prórroga da concesión de Ence. O documento da Consellería resolve que a pasteira cumpre cos parámetros medio-ambientais da Autorización Ambiental Integrada (AAI) que lle foi outorgada no seu día. En resumo, que non pon obxección alguna á continuidade de Ence a pé de Ría e que abre a porta á súa continuidade. Para o colectivo ambientalista Adega, "hai présa por deixar Ence "atada y bien atada" á ría de Pontevedra denantes do 20D. Un cambio de goberno podería paralisar a solicitude de prórroga, comprometendo o negocio da pasteira, habitual refuxio de políticos do PP xa amortizados". A Xunta concedeu en 2013 a Autorización Ambientai Integrada (AAI) á pasteira, cunha validez de 4 anos, o que deixou claro que para o PP "a permanencia de Ence na ría de Pontevedra era algo vital", sinalan desde a Asociación ecolóxica para a defensa de Galiza. É aí, sosteñen, como hai que entender as modificacións chave na Lei de Costas para ampliar as concesións e os dereitos de explotación de 30 a 75 anos, "trasladando o centro de decisión ao Estado e ficando a Xunta como mera comparsa: o informe preceitivo do órgano autonómico para conceder a prórroga sería "determinante" mais non "vinculante". Dixera o que dixera a Xunta, o ministerio de medio ambiente -fornecedor de cargos para o consello de administración de ENCE, e.g. Isabel Tocino- é quen resolve". |
NOS_57402 | Critica que Xunta e 'lobby' mineiro leven aos centros escolares unha promoción que "terxiversa a realidade" e oculta os efectos destes "terríbeis impactos ambientais". | A Confederación Anpas Galegas amosa a súa fonda preocupación polo feito de que Xunta e Cámara Oficial Mineira de Galiza presenten un conxunto de materiais educativos destinados a alumnado de infantil, primaria e secundaria. Esta campaña, indica este colectivo de nais e pais de escolares, parece que procura "dulcificar os impactos ambientais da minaría" e que provocaron un rexeitamento social, como os de Corcoesto, Touro, San Finx, Erimsa ou Triacastela. A confederación Anpas Galegas manifesta o seu rexeitamento "rotundo" a que crianzas e adolescentes "teñan que aturar nos centros de ensino, ou en calquera actividade extraescolar, uns audiovisuais perniciosos (…) que semellan ocultar a grave contaminación, destrución da paisaxe e do patrimonio que denuncian colectivos integrados en ContraMINAcción. Diante diso, a Confederación solicita á Xunta que recapacite e non faga uso dese material "didáctico" que "terxiversa a realidade" e ocultan os efectos destes "terríbeis impactos ambientais". |
NOS_48311 | O partido galeguista reitera a súa disposición a facer parte da mobilización unitaria cidadá para o Día da Patria. | Compromiso por Galicia presentou os actos que a organización galeguista realizará en Compostela con motivo do 25 de xullo. O Secretario Xeral, Xoán Bascuas, indicou que, baixo o Lema, "Facendo Camiño. Facendo País", Compromiso terá un acto político en Belvís que comezará ás 14.30 horas. A formación decidiu cancelar a ofrenda floral en San Domingos de Bonaval a media mañá, "pola nosa máis que previsible participación nun acto cidadán no que se celebrará o día da nación galega, onde nós faremos un chamamento a participar como cidadáns e cidadás, sen máis distintivos que a nosa condición de galegos e galegas". Neste sentido, Bascuas indicou que, "está á espera da confirmación e da forma da convocatoria do grupo promotor, "para estudalo e anuncialo oficialmente, se procede". De igual xeito o galeguista confirmou a presenza da eurodeputada Izaskun Bilbao, "para seguir a tecer complicidades de cara a visibilizar o noso traballo no Parlamento Europeo". Logo do acto político, realizarase un xantar entre militantes e simpatizantes, con música, xogos tradicionais, e un encontro de fútbol gaélico. De igual xeito, haberá postos de artesanía. |
NOS_21485 | Profesor da USC e analista político, Antón Losada (Xove, 1966) debulla para Sermos a actualidade política e, máis alá da conxuntura, debrúzase tamén sobre a nova estrutura de partidos políticos no Estado. Losada opina asemade sobre o nacionalismo galego e as opcións do BNG o 26X. Eis aquí un avanzo da conversa. | -Dado que es politólogo, e saíndo un pouco da análise conxuntural, non me resisto a perguntarche se realmente existe a Nova Política? -Ha, ha. Non. É unha marca comercial. E como cando nós eramos novos [entrevistador e entrevistado roldamos os 50 anos] e se dicía: os novos románticos, o tecno pop, o new age, e despois ías alí a escoitar e dicías: "pero se isto xa estaba nos discos dos Beatles, non?". Eu o que si creo é que vamos a un novo espazo político. Por dicelo doutra maneira, a política española sae dunha situación que era por si mesma anormal, como é que máis do 80% do voto estivera concentrado en dous partidos. Iso non é normal na historia da política española. (…) -Daslle crédito aos inquéritos que van aparecendo sobre o que nos pode deparar o 26X? -Ningún. Adentrámonos en algo realmente descoñecido. É a primeira vez que pasa isto. Sabemos como se ten comportado a abstención nas eleccións anteriores, pero claro as anteriores non eran como esta. Como se vai comportar o eleitor? A quen vai beneficiar? A íntegra da entrevista, a dupla páxina, tela ao teu dispor no Sermos194, nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa. |
NOS_4100 | Organizacións políticas e sociais lembran no 83 aniversario da declaración da República galega aquel acontecemento histórico no que o noso país se converteu nun Estado galego, embora ser de maneira efémera. | Após a abdicación de Juan Carlos I e no decorrer dos fastos para a coroación do seu fillo, Felipe VI, non poucas persoas, organizacións e colectivos foron as que lembraron uns acontecementos ocorridos na Galiza de 1931. Embora non seren moi coñecidos popularmente, o soberanismo galego quixo pór en valor nestas datas a relevancia histórica dun fito que se ben ficou marcado no almanaque, goza aínda de escaso recoñecemento. E é que Galiza foi declarada república pouco despois da saída de Alfonso XII de Madrid. Corría o 27 de xuño de 1931. O pobo, atinxido pola crise económica, o desemprego e farto dos incumprimentos do Estado español botábase á rúa e proclamaba a I República da Galiza. Primeiro en Ourense onde "unha multitude presa da indignación" camiñou até a Casa do Concello para erguer "a bandeira azul e branca" e proclamar a primeira Republica galega. Asi o narraba a imprensa da época. As principais cabeceiras facíanse eco dun acontecemento insólito até o momento. Manifestacións populares, encabezadas por obreir@s desempregad@s enchían as rúas ourensás, mais tamén da capital da Galiza e clamaban --inmers@s nunha folga xeral froito da parálise na construción do ferrocarril entre A Coruña e Zamora-- por un Estado de seu. Unha Xunta revolucionaria para declarar o Estado galego Acababa de caer a ditadura de Primo de Rivera e as forzas españolistas facían carreira a prol da II República española --cuxas primeiras eleccións a Cortes se producirían un día despois (28 de xuño). Pola contra, persoeiros como Alonso Ríos e Pedro Campos traballaban a prol da constitución dun Estatuto para a República da Galiza ao consideraren que ningunha solución aos problemas do país viría da man do mantemento da nación no Estado español, adoptase este a forma que adoptase. Apoiados polas masas populares que percorrían en longas manifestacións varias vilas e cidades galegas --tamén en Zamora-- o 27 de xuño de 1931 unha maré toma o Pazo de Raxoi --sede do Concello compostelán-- e obriga a demitir en bloco a Xunta de Goberno. Entre o fervor d@s operari@s e lebreg@s que se agolpaban ás portas da Casa consistorial, Alonso Ríos era proclamado "presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega" mais "entón, este dixo que era do pobo", como recolleu naquela altura o diario El Pueblo Gallego. Poucas horas durou esa primeira república. A escasa implicación cidadá noutras capitais e vilas do pais rematou por provocar a caída da Xunta revolucionaria e con ela a efémera independencia da Galiza. Nós-UP chama a construír un "pólo patriótico" cara á un "proceso constituínte galego" Con motivo desta conmemorativa data Nós-Unidade Popular defende nun comunicado o carácter "esencial" que ten, din, "resgatar" aquel acontecemento histórico pola "inmensa carga simbólico material" que posúe e polo carácter obreiro e popular do movemento que promoveu a declaración republicana. Para a organización independentista os feitos acontecidos nas últimas semanas, a comezar pola sucesión borbónica, sitúan Galiza nun marco semellante ao de 1931, tamén caracterizado por unha profunda crise sistémica con graves prexuízos para o pobo. Neste senso, Nós-UP lanza un chamado a avanzar cara á unha "ruptura democrática" e á construción dunha "Galiza ceibe, socialista e feminista" pois, subliñan, "sen soberanía plena as camadas populares non poderemos ter vivenda, saúde e educación digna e de calidade" nen "construírmos unha sociedade xusta e igualitaria". Así, defenden a configuración dun "pólo patriótico" con carácter "plural e abranguente" conformado por "mulleres e homes que queiran contribuír para a abertura dun proceso constituínte galego". Materiais divulgativos e actos conmemoran a data Para conmemorar aquela data e divulgar os feitos acontecidos, diversas organizacións e colectivos promoven actos e materiais didácticos. Este é o caso da Fundación Moncho Reboiras de estudos nacionalistas que elaborou unha curta-documentario repasando o fito coa axuda de historiadores como Xerardo Dasairas Balsa ou material gráfico da época que ilustra as mobilizacións sociais que precederon a declaración da República galega. O documentario vai acompañado dun caderno monográfico intitulado As folgas do ferrocarril. Protestas, solidariedade popular e declaración do Estado galego. Aliás, as asociacións culturais Lucerna, de Cerceda; Foucelhas, de Ordes e A Revoltaina, da Laracha organizan a quinta edición da Festa da República Galega. Unha romaría popular que, explican @s organizador@s, comezou co obxecto de "divulgar" o achado do xornalista Carlos C. Varela quen atopou un exemplar do xornal El Pueblo Gallego en cuxa capa se podía ler o titular 'Nun grandioso comicio revolucionario, é proclamado o estado gaelgo'. Nunha xornada de xogos, poesía, música e xantar as asociacións culturais que desenvolven de maneira anual este acto aproveitan a data para pór en valor proxectos e diversos que están a realizarse no noso país e que "forman parte desde a práctica da construción da nosa soberanía", sinalan. A V Festa da República galega terá lugar o sábado 28 de xuño en Ordes na vella estación de tren. Imaxes capturadas da curta-documentario editada por Fesga |
PRAZA_1823 | O colectivo A Regaduxa. Memoria Histórica de Vilaboa promove a instalación dunha inscrición no dique do peirao de Santa Cristina de Cobres, un lugar no que os presos de San Simón foron obrigados a realizar traballos forzados. O organismo, dependente da Xunta, impídeo. | O colectivo A Regaduxa. Memoria Histórica de Vilaboa leva anos promovendo ante as distintas administracións a instalación no dique do peirao de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) dun monunento de homenaxe ás vítimas do franquismo. Un emprazamento escollido porque nese lugar os presos de San Simón foron obrigados a realizar traballos forzados. Trátase dunha intervención sobria e discreta, formada por letras en ferro cortén fixadas nas pedras do dique, co texto: "Memoria das vítimas do terror franquista en Vilaboa". A súa instalación depende de Portos de Galicia, organismo dependente da Xunta. Porén, segundo destacan os responsables do colectivo, dende Portos de Galicia non houbo nos últimos resposta á solicitude de instalación da inscrición, realizada a través do Concello. A Regaduxa decidiu tomar a iniciativa e promover a colocación do monumento. A inscrición foi presentada o pasado 26 de abril, nun acto público que tivo lugar no peirao, coa participación de numerosas persoas e entidades que colaboraron para facer posible a homenaxe. Así mesmo, o colectivo presentou unha solicitude de autorización que foi respondida negativamente. A Regaduxa considera que esta resposta negativa de Portos de Galicia responde "a razóns ideolóxicas", algo que "se demostrou nas conversas con diversos representantes do organismo, que puxeron obxeccións ao texto da inscrición por empregar a expresión terror franquista", sinalan. Para A Regaduxa, "Portos de Galicia e por extensión o Partido Popular actúan como continuadores e herdeiros do franquismo. E ao prohibir esta homenaxe, atentan contra a memoria das vítimas e as súas familias". Vai promover "diferentes iniciativas para levar a cabo a citada homenaxe" ante o que sinalan como "actitude antidemocrática e atentatoria contra a memoria das vítimas" O escrito de denegación aduce razóns técnicas, coma a restrición no acceso á zona portuaria e mesmo a perigosidade que suporía a contemplación da citada inscrición. Porén, para A Regaduxa estas razóns técnicas son "meras escusas para xustificar unha decisión política". Lembran que estas zonas portuarias "acollen habitualmente actividades lúdicas, recreativas, relixiosas e deportivas sen limitación de acceso" e que "en varios portos de titularidade autonómica existen monumentos e inscricións que ao parecer non son tan molestos como o promovido en Vilaboa". Para A Regaduxa estas razóns técnicas son "meras escusas para xustificar unha decisión política" A Regaduxa vai promover "diferentes iniciativas para levar a cabo a citada homenaxe" ante o que sinalan como "actitude antidemocrática e atentatoria contra a memoria das vítimas". Nas próximas semanas convocarase un acto público reivindicativo ao que se convidará ás asociacións de defensa da memoria histórica e á veciñanza. O pasado mes de marzo Luís Bará (directivo de A Regaduxa, autor do blog Non deas a esquecemento) escribiu no seu espazo web un texto dedicado a Xosé María Álvarez Cáccamo, presidente da asociación, que resume nun parágrafo as "cicatrices" deixadas pola represión franquista nesta zona: "Na miña terra de Vilaboa, o territorio é tamén un mapa de cicatrices. Son marcas invisíbeis na pel da paisaxe, no pano da historia. Como as curvas da Regaduxa, entre Acuña e Santa Cristina de Cobres, co seu ronsel de sangue e de infamia. Un territorio escuro, deshabitado, rodeado de sombras, que as partidas falanxistas sementaron de cadáveres. Daqueles crimes hoxe apenas permanece o silencio e a rabia, por tanta inxustiza, por tanta impunidade". |
PRAZA_11395 | A iniciativa, posta en marcha por estudantes da USC, recolleu xa 300 testemuños de mulleres que foron agredidas, acosadas ou que se sentiron inseguras en espazos públicos. Vén de crear dous grupos de whatsapp "de autocoidados" para camiñar máis seguras polas noites. | "Eran as 12 da madrugada e unha amiga e máis eu pasamos polo aparcadoiro que hai ao lado do pavillón, que non está nada iluminado, cando de súpeto escoitamos que nos estaban seguindo: era un home de mediana idade que tiña os pantalóns baixados e estábase masturbando".Campus do Medo recolleu xa 300 testemuños de situacións nas que unha moza fora acosada, agredida ou, simplemente, non se sentira seguraA comezos do pasado ano un grupo de alumnas da USC botou a andar en Compostela a iniciativa Campus do Medo, que buscaba visibilizar a situación de inseguridade que viven moitas mulleres ao camiñar soas pola noite en moitos espazos dos campus da universidade, coa rutina da ameaza de sufrir unha agresión sexual. E, ademais de facer visible e denunciar esta realidade, buscaba que as administracións adoptasen medidas concretas para facerlle fronte.A campaña comezou con varias asembleas nas que participaron ducias de estudantes da universidade e pola recollida de testemuños de incidentes, de situacións nas que unha moza fora acosada, agredida ou, simplemente, non se sentira segura, unha inseguridade ou ameaza que non sofren os varóns. "Temos que rachar co silencio e facernos escoitar, non queremos ter que apresurar o paso nin tampouco ter a necesidade de ir sempre acompañadas", sinalan."Tes a conciencia de que a moitas mulleres, antes que a ti, xa lles pasou algo nese lugar. En vez que virnos abaixo, temos que sacudirnos ese medo e facer forza""Vimos que había a necesidade de facer algo cun problema que nos afectaba a todas as mulleres, que nos preocupaba moitísimo e que era estrutural. Moitas, ademais, viviamos nas residencias públicas da USC -Fonseca, Monte da Condesa e Burgo-, zonas nas que non hai nada de luz, lugares moi afastados de vivendas, e onde pasabamos moito medo", explica Lucía. "É un problema, ademais, que temos mesmo cando volvemos de clase, porque en inverno faise de noite moi cedo, así que non é algo exclusivo de saír de festa ou de andar tarde pola rúa", di. "Xa non é que vaia pasar algo ou que pase, é o medo. Tes a conciencia de que a moitas mulleres, antes que a ti, xa lles pasou algo nese lugar. En vez que virnos abaixo, temos que sacudirnos ese medo e facer forza", subliña Lucía.A resposta das administracións non foi tan satisfactoria, pois non se adoptaron medidas para implantar un bus nocturno, mellorar a iluminación ou para facer máis frecuentes as patrullas de vixilanciaCampus do Medo, seguindo o exemplo do Mapa do Medo de Jessyca Ocampo, recolleu algunha destas historias en persoa, tamén deixou caixas de correo nos baños de mulleres de varias facultades, para facilitar o anonimato, e habilitou unha enquisa online (accesible ademais a través de códigos QR repartidos polo campus) para facer máis doado envío destes relatos. "Fomos recollendo cada vez máis testemuños, porque a xente íase dando conta de que non era algo que lle sucedese a ela soa e de que non había que quitarlle importancia", di Lucía. En total, son xa 300 os testemuños recollidos.A campaña foi un éxito nese senso, pero a resposta das administracións non foi tan satisfactoria, pois non se adoptaron medidas para implantar un bus nocturno, mellorar a iluminación pública existente en determinadas zonas ou para facer máis frecuentes e máis eficaces as patrullas de vixilancia nos campus, que ademais carecen de formación en violencia de xénero. "Entre o estudantado o movemento feminista tivo un boom incrible. Pero nas administracións aínda non está introducida a perspectiva feminista e de xénero. A súa acción non se pode limitar a facer un acto polo 8M, trátase de introducir esa visión en todo o que fan e en como lexislan", denuncia.Grupos de autodefensa e autocoidadosCreou dous grupos de whatsapp (zona Norte e zona Sur) mediante os cales "poderemos organizarnos para avisarnos unhas a outras cando volvamos a casa ou ás residencias pola noite"Iso si, independentemente de que as súas demandas sexan escoitadas pola USC e o Concello, Campus do Medo está a poñer en marcha unha iniciativa que permite mellorar a capacidade de autodefensa e protección das mulleres no espazo público. Creou dous grupos de whatsapp (zona Norte e zona Sur) non-mixtos mediante os cales "poderemos organizarnos para avisarnos unhas a outras cando volvamos a casa ou ás residencias pola noite, tanto se estamos soas (para buscar un grupiño co que volver) como se imos acompañadas (para ofrecernos como grupo para acompañar a rapazas que estean soas)"."Isto é algo que en realidade xa fas coas túas amigas. Por que non estendelo a máis xente? Pode ser algo útil para a xente que xusto non ten a ninguén nese momento para marchar acompañada ata casa", destaca Lucía. As mulleres que queiran incorporarse a estes grupos de autodefensa e autocoidados deben poñerse en contacto con Campus do Medo a través de Twitter ou Instagram."Isto é algo que en realidade xa fas coas túas amigas. Por que non estendelo a máis xente?"Ademais dos grupos de whatsapp, Campus do Medo seguirá publicando testemuños e vídeos, visibilizando o problema e facendo presión para que Universidade e administracións actúen. Tamén se porá en contacto coa Oficina de Igualdade de Xénero da USC. "É unha ferramenta que temos todas as mulleres na USC para presentar os nosos problemas dende unha perspectiva feminista e de xénero. E temos que utilizala", remata Lucía.Algúns testemuños do acoso e do medo"Chegando ao Burgo, pola zona de Pelamios, notei que alguén viña detrás e que era un home. Crucei a beirarrúa para velo mellor e el tamén cruzou. Quería chegar a algún sitio seguro porque evidentemente estábame seguindo, pero o único sitio era o Burgo e para chegar tiña que atravesar un parque moi moi escuro (Parque da Música). Parei e decidín chamar a unha amiga, que me veu buscar. Eran simplemente 100 metros, pero parecía un inferno. O home escapou gritando algo cando viu que chamaba por teléfono a alguén". "Volvía da Escola de Idiomas polo parque do Auditorio. Diante miña ían 3 rapaces e comecei a andar máis despacio para non ter que pasar diante deles, pero sentaron nun banco ao borde do camiño. Non tiñan nada de especial pero dábanme mala espiña e quería chegar rápido a algún lugar onde houbese xente. En canto pasei por diante deles erguéronse e comezaron a andar detrás de min e a rirse. Foron só uns segundos, apurei máis o paso e non volvín mirar cara atrás ata que deixei de escoitar os seus pasos. Non sei que pretendían indo detrás miña, pero dende aquela non son capaz de ir soa por sitios polos que sei que pasa pouca xente"."Non era demasiado tarde, pero xa estaba todo escuro. Cando iamos preto da pista de atletismo atopamos a un home sentado nun banco masturbándose. Non había ninguén máis por alí e comezamos a andar máis rápido, evitando miralo, por medo a que fose quen de levantarse e vir detrás nosa". |
NOS_28542 | As incidencias multiplícanse por todo o país | O vento e a choiva do temporal Karim, que ven afectando Galiza nas últimas horas, xerou 220 incidencias por todo o país tan só entre o mediodía de onte e as 8 horas de hoxe, especialmente por caída de árbores e ramas e retirada de obxectos das vías. Segundo a información do CIAE 112-Galiza, a área da Coruña foi a que levou a peor parte, cun total de 104 incidencias rexistradas, mentres que na de Pontevedra houbo 89, na de Lugo 17 e na de Ourense 10. Por fortuna, non houbo que lamentar incidencias de gravidade. En canto aos concellos, destaca o de Ribeira, con 11 incidencias contabilizadas, catro no de Ames e Narón, respectivamente, e tres no Concello de Muros. Ademais, no Concello de Vigo houbo cinco incidencias rexistradas, catro no de Cangas e tres en Pontevedra e Ponteareas. Finalmente, en Ribeira de Piquín, Riotorto e Palas de Rei rexistráronse dúas incidencias en cada un, as mesmas que en Boborás. |
NOS_38527 | As asinantes denuncian que as fendas no dereito a vivenda ou na lei de dependencia da Galiza. | Unha renda básica "suficiente, incondicional, universal" e de "pleno dereito" para toda a cidadanía, incluída aquela excluída da Renda de Inclusión Social da Galiza (a Risga) ou do Ingreso Mínimo Vital aprobado polo Goberno estatal. É un dos obxectivos da campaña iniciada por colectivos sociais baixo o lema "Nin Risga, nin Ingreso Mínimo Vital, renda básica xa" e presentada onte en Compostela, Vigo e A Coruña. A iniciativa conta co apoio do Foro Galego de Inmigración, Colectivos pola Renda Básica Universal, SOS Racismo Galiza, a Oficina de Dereitos Sociais de Coia en Vigo ou o Colexio de Educadoras Sociais da Galiza, entre outras. As asinantes denuncian que a pandemia deixou en evidencia a "inacción" do Goberno galego ante a crise social e económica da cidadanía. As organizacións lembran que os colectivos migrantes contribúen a soster "actividades esenciais" no ámbito dos coidados ou da agricultura mentres se ven privados do acceso a prestacións sociais. Tamén, que o confinamento visibilizou a cantidade de persoas que viven na rúa e como persisten os problemas de acceso á vivenda. "A Administración galega leva anos fechando os ollos ante esta realidade e os datos falan: a construción de vivenda protexida na Galiza caeu a mínimos históricos nos últimos anos, en 2019 rexistrouse a segunda cifra máis baixa desde que se iniciou o reconto de vivenda libre e protexida en 1991", advertiron as entidades na convocatoria da campaña. Alén das prestacións anunciadas polo Goberno estatal e a propia Risga, cuxa compatibilidade coa primeira será decidida polo Parlamento conformado tras as eleccións, colectivos asinantes como a ODS Coia criticaron as tarxetas para alimentos anunciadas polo presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feixoo, que cualificaron de "faragullas". Modelo residencial As entidades sinalaron as fendas do actual modelo de atención á dependencia. "6.400 persoas agardan na Galiza polas prestacións por dependencia que solicitaron", avanzaron, salientando que "395 persoas morreron na Galiza na lista de agarda da dependencia". Ademais, criticaron a situación vivida nas residencias de maiores con contaxios por coronavirus e o actual modelo residencial. |
NOS_56414 | Adega defende o 'equilibrio' ambiental da especie | Un estudo publicado este mes na revista Animal Conservation evidencia o progresivo illamento do lobo no noroeste peninsular. O traballo, dirixido polo investigador do CSIC Miguel Clavero sinala que os territorios da Galiza, Castela e León, Asturias e Cantabria concentran a maior poboación desta especie na península. Os territorios da Galiza, Castela e León, Asturias e Cantabria concentran a maior poboación desta especie na península Segundo Clavero, a análise realizada durante a investigación "constata dunha realidade desfavorábel para o lobo ibérico". Así, o estudo sostén que a mediados do século XIX a especie ocupaba arredor de 317.600 quilómetros cadrados, un 65% da superficie peninsular, fronte aos 100.000 quilómetros, o equivalente a 30%, que ocupa hoxe. O investigador xustifica as cifras argumentando que a diminución da poboación de lobos débese a "factores como a persecución directa, o esgotamento das poboacións de presas e a intensificación do uso da terra polo ser humano". Os proxectos eólicos ameazan a vida do lobo Con todo, o biólogo e experto en lobos Pedro Alonso explica a Nós Diario que "a densidade (do lobo) é moi elevada no norte do país" e afirma que "non corre perigo". Alonso sostén que "o desánimo da depredación constante do lobo resulta un factor de peso que encadea coa crise do rural", pois, ante o descenso da poboación de bestas, a presa principal do lobo, a especie busca outros alimentos como becerros ou xatos. Isto xera un conflito no sector agrogandeiro que pon en cuestión a protección do canis lupus. A Xunta cuestiona a protección do lobo A conselleira de Medio Ambiente, xunto aos seus homónimos de Catabria, Castela e León e Asturias, pediron esta segunda feira en Bruxelas a saída do lobo da Listaxe de Especies Silvestres do Réxime de Protección Especial (Lespre) nestes territorios indicando que a especie atopa en expansión. A Xunta da Galiza cuestiona en Bruxelas a protección do lobo A redución de protección do lobo obtivo respostas moi diversas ao respecto. Pola súa parte, Alonso opina que "é a mellor noticia para a súa conservación dos últimos anos" e argumenta que "o que se pretende cunha maior protección dunha especie é favorecer os procesos de coexistencia, pero estes non se favorecen se se elimina da ecuación a poboación local". Ademais, asegura que o estado do lobo antes de formar parte da Lespre "non era malo". Porén, a asociación ecoloxista Adega denuncia que a Xunta dea conta do aumento da poboación do lobo cando non publicou datos actualizados ao respecto do censo da especie, "ben porque non os ten, ben porque non quere compartilos". A asociación critica que a exclusión do lobo da Lespre leva consigo a súa condición como especie cinexética, un feito que non resolvería o conflito co sector agrogandeiro pois "desde 2014 non se conseguiu abater ningún individuo" polo que consideran a caza "un instrumento inútil". Ecoloxistas aplauden o avance na prohibición de cazar o lobo mais sinalan que queda "camiño por recorrer" Demandas dos ecoloxistas Adega explica a Nós Diario que o lobo ibérico é unha especie exclusiva da península e que, ademais de ser un emblema cultural, atópase no cumio da cadea trófica, polo que axuda a regular os ecosistemas: "A ausencia da presenza do lobo provocaría un gran desequilibrio ambiental". "A ausencia da presenza do lobo provocaría un gran desequilibrio ambiental" Por todo isto, Adega considera "positiva" a protección da especie pois isto supón un Plan de conservación cun maior número de medidas de prevención de ataques, máis cobertura de danos e de axudas, e un investimento na sensibilización sobre esta especie. |
NOS_23555 | "Aínda que Inditex se abriu a negociar, as traballadoras consideran totalmente insuficientes as propostas de incrementos que a empresa está pondo enriba da mesa", salientan desde a CIG. | Traballadoras das tendas do grupo Inditex da Coruña convocaron unha manifestación para o próximo domingo, 6 de novembro, para "exixir condicións salariais e sociais dignas", segundo indicou esta sexta feira Confederación Intersindical Galega (CIG). Segundo a central sindical, "as dependentas da principal multinacional do téxtil están fartas de non chegar a fin de mes e de ver como ano a ano se agrandan as diferenzas entre o que elas cobran e os soldos que perciben os traballadores doutras empresas do grupo, como os almacéns ou as fábricas". "Propostas insuficientes" "Aínda que Inditex se abriu a negociar, as traballadoras consideran totalmente insuficientes as propostas de incrementos que a empresa está pondo enriba da mesa", salienta o sindicato nacionalista. Inditex incrementou en 41% os seus beneficios no primeiro semestre do ano fiscal Ademais, desde a CIG aproveitan para indicar que a multinacional "se nega a aplicar ás dependentas as melloras sociais das que si goza outro persoal", como as axudas por coidado familiar e para a adquisición de libros ou o bono comedor. Manifestación pacífica Para alén diso, manifestan que desde Inditex están "convencidos de que a maioría do persoal non apoia as nosas reivindicacións. Non cren que poidamos mostrar o noso descontento a través dunha manifestación pacífica". Os beneficios de Amancio Ortega medraron 33% en 2021 Por estes motivos, as traballadoras acordaron realizar esta manifestación na Coruña, que sairá ás 12 horas da Praza de Lugo, pasará polos Cantóns, o Obelisco, a rúa Real e baixará polo calello Agar até a Avenida da Mariña para finalizar na zona da dársena. |
NOS_41615 | Un gol de Nolito cando o encontro remataba permitiu aos celestes puntuar no campo de Real Sociedade (1-1) e acadar un resultado que mantén ao equipo na boa liña recuperada. | Outra vez Nolito cun gol, que demostra que o dianteiro internacional é un pouco o termómetro do Celta, que empatou cun tanto na recta final en Anoeta contra a Real Sociedade (1-1) e sumou así un punto tranquilizador, que confirma a melloría amosada na anterior xornada e deixa ao conxunto de Berizzo na zona media da táboa, un punto por riba do Dépor, ao que visitará en dúas semanas. Acabou ben o encontro un Celta que empezou moi mal, posto que aínda non se disputaran dez minutos cando Agirretxe adiantaba aos vascos. Despois, os vigueses loitaron e tiveron oportunidades claras para marcar, dúas delas de Santi Mina, que segue a crecer como dianteiro malia non anotar, algo que fixo Nolito cunha manobra perfecta a pase de Bogonda que significou un importante punto, especialmente no anímico. |
NOS_55711 | Con este argumento, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, insiste en demandar a implicación do Goberno español. Por outra banda, asegurou que a declaración como Ben de Interese Cultural da Casa Cornide, para evitar máis ataques sobre o patrimonio que demanda o pobo, chegará a próxima semana. | As responsabilidades sobre o BIC do Pazo de Meirás van de lado a lado coma se dun balón se tratara. Mentres o Goberno do Estado español deriva a ampliación á Xunta, esta volveu a facer contrario esta terza feira ao pedir a implicación do Goberno de Pedro Sánchez para crear un "marco xurídico" estábel que impida que os Franco poidan buscar espazos legais para levar os bens. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou que para ampliar a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) aos elementos que quere retirar a familia do ditador -mesmo anunciou que marcharía cos elementos xa catalogados e protexidos como as figuras de Abraham e Isaac e parte da biblioteca de Emilia Pardo Bazán- mentres o prazo dado pola sentenza xudicial fica paralizado. Para Rodríguez ten que haber unha intervención estatal para dar cun "marco xurídico que dea certeza". Neste sentido pide a sinatura dun convenio entre o Executivo estatal e o galego para facer actuacións de protección "con seguridade e coherencia". "Non estamos ante unha cuestión de decisión política", remarcou, ao entender que as dúas administracións buscan o mesmo: que os elementos permanezan en mans públicas. O responsábel de Cultura aproveitou para puntualizar que o BIC "non afecta á propiedade dun ben senón á súa mobilidade". Nun acto decorrido na Coruña, anunciou tamén que a Casa Cornide será declarada BIC na próxima semana a través dun anuncio no Diario Oficial da Galiza (DOG). Esta tamén é unha das propiedades dos Franco polas que loita o pobo. |
NOS_26390 | Carlos López Bernárdez é historiador de arte. Sobre arte medieval é coautor do ensaio Bestiario en pedra. Animais fabulosos na arte medieval galega (2004), preparou para Nós Diario os fascículos correspondentes á Catedral de Tui e Santa María de Castrelos que se publican mañá e pasado. | No fascículo que hoxe publica Nós Diario sobre San Martiño de Foz Aurelia Balseiro sitúa o inicio do románico neste templo. Vostede fai o mesmo, mais agora en referencia ao gótico, na porta occidental da Catedral de Tui. Pode avanzarnos algo sobre isto? A catedral de Tui estaba a construírse de acordo cos modelos románicos, como tamén pasaba coa de Ourense. O certo é que a influencia nesa altura en Tui é a das construcións románicas da sé compostelá. A partir de 1180, despois dunha paralización, continúan as obras e xa se altera o trazado para adecualo ao estilo gótico. En concreto, na porta occidental o que temos é unha realidade estética diferente, trátase do primeiro portal gótico peninsular, que foi extraordinariamente analizado por Serafín Moralejo na súa tese de doutoramento Escultura gótica en Galicia (1975). O estilo do portal de Tui non ten relación coa tradición anterior nin coa arte do Mestre Mateo en Compostela. Realízase arredor de 1225 e introduce fórmulas que teñen como referencia a catedral de Laon, unha construción que está situada no Camiño francés a Compostela e onde se encontran algunhas das primeiras manifestacións do gótico inicial. Vostede fala dun programa iconográfico novidoso e moi ligado á Franza. Cais son esas novidades? Tui presenta novidades formais e temáticas. Formalmente destaca por unha marcada verticalidade, pola maneira de elaborar as figuras das xambas que xa son estatuas e polo tímpano organizado en rexistros superpostos con dinámica narrativa e relevos ligados ao fondo. No lintel e tímpano presenta escenas evanxélicas co tema do encontro entre Cristo e a Igrexa e nestas escenas insírense os primeiros interiores e paisaxes da arte galega. Nas xambas son representadas figuras do Antigo e Novo Testamento, entre elas Salomón e a raíña de Saba. De onde vén tanta influencia francesa, por que se dá primeiro nun punto tan afastado da Franza? A presenza de artífices e obradoiros de orixe francesa e/ou influídos por eles non é nada rara desde o século XI, como se pode constatar nos inicios da catedral de Santiago e cómpre ligala ás intensas relacións que mantén o noso territorio co resto de Europa polo Camiño de Santiago. Alén diso, os bispos de Tui do século XIII son figuras importantes, cultas e cun complexo mundo de relacións políticas e intelectuais. O portal foi realizado so o pontificado de Estevo Exea (1218-1239) e o seu sucesor, que continúa as obras da catedral, foi Lucas de Tui, autor dun relevante Cronicón e figura de enorme importancia política. Na semana pasada Sara Quintana falaba da aposta de Afonso VII polo mosteiro de Aciveiro. Vostede fai coincidir a morte de Afonso VIII co inicio da decadencia artística. Considera que a creación artística e cultural necesita referentes políticos propios? A morte de Afonso VIII (IX no computo español) en 1230 tivo unha enorme transcendencia. Finou en Sarria e foi enterrado en Compostela, con el morre o derradeiro rei galego e comeza a submisión do noso reino ao intereses de Castela. No plano estético este feito vai percibirse na progresiva provincialización da nosa arte. As grandes encomendas reais van realizarse en Castela ou na Andalucia conquistada. Só hai que comparar os scriptoria que realizan en territorio castelán a iluminación das Cantigas de Santa María co que se facía en territorio galego. Os grandes proxectos artísticos medievais están, pois, moi ligados a referentes políticos. Vostede é tamén autor do fascículo sobre Santa María de Castrelos, unha igrexa rural con tres tímpanos que repiten o mesmo motivo: a cruz. A recorrencia dun motivo iconográfico é unha forma de narrar, obviamente apoiada pola palabra, polo sermón relixioso. Os tímpanos de Castrelos foron decorados cunha soa imaxe simbólica: a cruz, e subliñarían a sacralidade do edificio no acceso ao recinto sagrado e nas dúas faces das diferentes portas, onde se repite o mesmo motivo que viría determinado polo ritual de consagración da igrexa. Como interpreta esa prevalencia do iconográfico sobre o narrativo? O protagonismo da cruz ten aínda un novo elemento significativo: a cruz situada no exterior do muro testeiro, unha cruz cumial, cravada sobre un animal bicéfalo, que semella un dragón, cos seus dentes de crocodilo e un evidente ar demoniaco. Esta representación da cruz sobre o monstro (demo) pode interpretarse, consonte co escrito por Agostiño de Hipona (Sermón 263), como un trallo para capturar o mal: "O trallo do diabo foi a morte do Señor; a isca para capturalo, a morte do Señor". Se a isto unimos a presenza da cruz na forma interior dos óculos da absida, vemos que todo o templo está rodeado pola presenza absoluta do símbolo da paixón de Cristo e do seu triunfo sobre o pecado, que se nos presenta desde o tímpano do portal principal até o rosetón da ábsida nunha continuidade visual e conceptual. |
NOS_11798 | O Consello Galego das Mulleres condena as gravacións a mulleres efectuadas sen o seu consentimento durante a festa da Maruxaina 2019 e que acabaron publicadas posteriormente en páxinas web de contido pornográfico. | O pleno do Consello Galego das Mulleres manifestou o seu "absoluto rexeitamento" polas gravacións a un total de 87 mulleres mentres ouriñaban durante a festa da Maruxaina de 2019 en San Cibrao (Cervo), e que terminaron colgadas en páxinas pornográficas. O xulgado de Viveiro decretou o arquivo provisional do caso, ao non considerar "suficientemente acreditado que se cometeu un delito". O maxistrado chegou a argumentar que "non se vulnera a intimidade" das mulleres que aparecen ouriñando no vídeo, xa que o fan "nun lugar público no que lles podería ver calquera persoa que pasase pola zona". Tanto a Asociación de Mulleres en Igualdade de Burela, Bumei, que exerce de acusación popular, como varias das afectadas a título particular impulsaron recursos para tentar que o proceso continúe. A decisión do xuíz motivou a indignación da veciñanza de San Cibrao e centos de persoas tomaron as rúas o pasado domingo para reclamar ao maxistrado que "recapacite" no arquivo do caso. Agora, esta cuarta feira, 7 de abril, o pleno do Consello Galego das Mulleres (órgano colexiado e de carácter consultivo no que están representadas todas as Consellarías, ademais de asociación de mulleres, organizacións sindicais e empresariais) alertou de que os feitos atentan contra a dignidade e a intimidade das afectadas, e mostrou o seu incondicional apoio ás prexudicadas polo dano moral causado. O órgano denunciou a "impunidade" coa que moitas veces se levan a cabo este tipo de accións e contra a que a sociedade "ten que loitar con todas as armas legais que teña ao seu alcance". Pacto de Estado Por todo iso e á espera de que se resolva definitivamente o proceso e a decisión sobre os recursos presentados, o Consello Galego das Mulleres solicita ao Estado o desenvolvemento urxente das medidas do Pacto contra a Violencia de Xénero que persegue a erradicación deste tipo de prácticas. Entre elas, engade, atópase a posta en marcha dun sistema de coordinación, cooperación e corregulación entre as forzas e corpos de seguridade, empresas de telecomunicacións e provedores de contidos dixitais para eliminar referencias nocivas en webs que provocan vexación ou violencia contra as mulleres. Guía coeducativa Doutra banda, no Consello trasladouse a nova 'Guía coeducativa' coa que se busca consolidar nos centros escolares o traballo co alumnado á marxe de roles e estereotipos, para promover a educación baseada no principio de igualdade e afastada de modelos sexistas. O documento diríxese especificamente ao profesorado con propostas de actividades para fomentar a reflexión nas aulas, con recursos para detectar desigualdades e evitar reproducilas. Tamén se abordou a necesidade de que as estatísticas demográficas presten atención ás mulleres maiores para poder realizar diagnoses máis efectivos sobre este grupo de poboación e avogouse por traballar fronte a pobreza que afecta en maior medida a esta franxa de idade, especialmente nos sectores de actividade económica vinculados co mundo rural. |
NOS_4073 | Nove minutos de conversa con Cadaval nun escaparate por un euro. A nova proposta do director, actor, escritor e xenio do espectáculo súmase á recente escrita ao vivo do libro 22 romances incompletos que sairá publicado en breve. Son as orixinalidades de Quico Cadaval. | No escaparate dunha rúa Real da Coruña Quico Cadaval pasou consulta de conversación na tarde do xoves. O seu "Conversatorio" ofrece nove minutos de leria a cambio de un euro. O conto ten reglas máis ningunha estricta. Por exemplo, "o cliente pode confesar, interrogar, divagar, polemizar... sobre calquera ocurrencia ou peripecia". Mália iso, o Cadaval gárdase en saúde e así as normas contemplan que "o falador non estará obrigado a dominar o tema proposto, mais conversará igualmente". Diante do pacto previo, Quico Cadaval promete gardar segredo de confesión. "O falador comprométese a non difundir o que se fale; en cambio, o cliente é libre de revelar o que queira". Na Coruña, o actor Vítor Mosqueira acompañou ao protagonista e foi o encargado de dar a vez ás persoas que se achegaron con vontade de conversar. Inédito con libro O "Conversartorio" que Cadaval levou o xoves á Coruña afonda na orixinalidade das novas propostas deste home do espectáculo que tanto dirixe unha obra de teatro ou un musical como se fai popular en Portugal como xuri dun concurso televisivo de promesas do espectáculo. O escritor inédito como lle chamaban, entre outros, Manuel Rivas asinou o seu primeiro libro en directo. De Cadaval coñecíanse textos dispersos alén das súas obras de teatro que aventuraban estar diante dunha grande promesa da literatura. En breve, o seu nome porá sinatura a un libro, acontecemento que fará que, finalmente, deixe de ser o escritor inédito da literatura galega. 22 romances incompletos sairá na colección O lapis do taberneiro, serie que promoven desde o Café Bar 13 de Compostela. Foi neste local da rúa Santa Clara no que Cadaval escribiu ao vivo os seus textos o pasado 27 de febreiro nunha xornada literaria que durou quince horas, non só para o público asistente senón nun proceso creativo que se retransmitiu por webcam a través da canle youtube. A escrita do agardado libro de Quico Cadaval convertiuse nun novo espectáculo. |
NOS_39614 | A CIG fixo entrega dos premios 8 de marzo e 10 de marzo, Día da clase obreira galega, que foron para as delegadas de Povisa (e mención especial para as traballadoras de Regaki) e para Montelnor e Liteyca, contratas de Movistar | A loita protagonizada polas delegadas da CIG no comité de Povisa vén de ser recoñecida polo premio '8 de marzo' que entrega a central sindical nacionalista. Estas traballadoras tomaron parte en diversas mobilizacións no interior da policlínica, convocaron manifestacións en Vigo e concentracións diante da Xunta, así como unha greve de fame en repulsa a 13 despedimentos e "ás chantaxes e coaccións por parte da dirección do Hospital, para lograr un convenio colectivo digno e en defensa dunha sanidade de calidade". Canda elas, as traballadoras da Rede galega de Kioskos (Regaki) recibiron unha mención especial pola súa loita durante os anos 2014 e 2015 en demanda dos seus salarios e en denuncia da complicidade da administración no desmantelamento da empresa. Unha empresa que embora recibir multitude de cartos públicos en subvencións, "disolveuse sen pagar ningunha nómina nin indemnización ás 95 persoas do seu cadro de persoal, todas elas con enfermidades crónicas ou diversidade funcional, tendo que facerse cargo o FOGASA dos seus salarios". Greves O premio do Día da clase obreira galega foi para a loita das contratas de Movistar, que mantiveron unha greve de máis de 40 días no caso de Montelnor e de 50 no caso de Liteyca, para exixir o cumprimento dos convenios colectivos, a limitación da subcontratación en cadea e o recoñecemento do dereito á subrogación. Xunto a este conflito recibiron unha mención especial os conflitos de Citroen e Althenia. |
PRAZA_944 | A candidatura que encabeza Noriega aposta por unha moratoria na apertura de prazas hoteleiras no centro da capital para frear a "especulación" e promover a "calidade" no turismo. | "Paralizar a especulación na cidade vella". É un dos principais obxectivos do paquete de medidas que vén de presentar a candidatura Compostela Aberta para, no caso de chegar ao Goberno de Santiago, reformular a regulamentación que rexe na zona monumental da capital galega, unha contorna afectada por unha importante presión turística que, din, cómpre reformular para que o turismo sexa "de calidade" e non dificulte a vida diaria da veciñanza. Entre outros plans, explican, proxectan declarar o centro histórico como zona saturada de tendas de 'merchandising' turístico. O candidato de CA á alcaldía e o arquitecto Jorge Duarte, número tres da candidatura, sinalan que o seu programa concibe o casco histórico como "un motor e un símbolo da cidade" e, por iso, debe ser "coidada con especial atención". Neste sentido, o primeiro paso, sinala Duarte, sería establecer unha "moratoria para a apertura de novos locais hoteleiros" que permitiría, asegura Duarte, frear a actual "expectativa de posibilidade de alugueiro" que "o único que provoca é que aumente a burbulla especulativa". Na liña do xa manifestado por representantes do sector hostaleiro, Compostela Aberta coida que "o ámbito da zona monumental ten un exceso de prazas" hoteleiras que "provoca uns índices de ocupación demasiado escasos na temporada baixa", o que deriva en máis precariedade e inestabilidade para o sector. O xeito de aplicar esta moratoria "sería unha modificación do plan especial" que rexe na zona histórica, declarada Patrimonio da Humanidade, e "centraríase na limitación de aperturas de novos hoteis, pensións, albergues ou apartamentos de alugueiro". A candidatura aposta por promover unha moratoria na creación de novas postas hoteleiras e a reforma da polémica ordenanza de terrazas do PP No que atinxe á declaración de novas "zonas saturadas" a finalidade sería aplicar a figura que xa rexe para, por exemplo, evitar as concentracións de fontes de ruído nocturnas, co obxectivo de "fomentar o comercio tradicional de base local". "É moi triste -afirma Duarte- ver como proliferan os cartaces de 'alúgase" mentres seguen a proliferar "as tendas centradas no merchandising que tamén elevan os prezos dos alugueiros artificialmente". A preservarción do comercio tradicional, detalla, implica tamén impedir o incremento de "usos ligados ao lecer" no mercado de abastos para que siga sendo "un espazo de comercio local", que tamén é "atractivo para os turistas". A reformulación da normativa da zona vella, di, completaríase coa reformulación dunha das decisións máis controvertidas do goberno do PP, a ordenanza de terrazas, que sería modificada "nas primeiras semanas de goberno" atendendo especialmente a evitar as terrazas pechadas e con estruturas fixas, unha "privatización do espazo público" que "resulta inadmisíbel nunha cidade patrimonio da humanidade". "Preocúpanos moito a regulación de usos na cidade histórica", resume Noriega, quen advirte de que Compostela Aberta ve o turismo como "necesario e importante na economía local", se ben resulta "igual de importante" que "este turismo sexa de calidade, tanto para quen nos visita como para a veciñanza de Santiago". |
NOS_41629 | "Houbo 180.000 votos de C´s e Vox sen escano", lamentou o líder popular. | O PP volveu situarse este domingo como forza máis votada na Galiza, con 469.890 votos, lixeiramente por riba do PSdeG – que fora a primeira en abril - que obtivo 460.000. Aumentou un deputado, por Pontevedra, grazas ao esfarelamento de Ciudadanos na Galiza. Mais a vitoria 'popular' é pequena: eses resultados non lle permitirían a Feixoo recuncar na Xunta en 2020 e sábeo. O 10N Vox logrou 114.000 sufraxios nas circunscricións galegas e Ciudadanos 63.000. Entre estas dúas formacións suman 12% dos votos emitidos este domingo na Galiza e Feixoo sabe que esa porcentaxe vaille facer boa falta se quer sumar un cuarto mandato. Por iso na noite electoral lanzou a mensaxe de que "a división do voto da dereita penalizounos". Afirmación que se suma a que o presidente non quixo desvelar estes días se pactaría con Vox na Galiza de o precisar. |
NOS_16095 | O país conta cunha tradición moi vencellada coa morte. | A revista Adiós Cultural premiou a comezos de outubro o cemiterio dos Eidos, no concello de Redondela, como o máis bonito da Galiza e do Estado español. Fíxoo despois de enfrontar nunha votación popular o camposanto galego cos de outras autonomías. A presenza da lingua galega nos espazos da memoria, unha materia pendente Os Eidos, que pugna por acceder ao listado de cemiterios senlleiros de Europa, fois construído en 1833, aínda que a sepultura máis antiga da que se ten constancia data de 1860. A súa última rehabilitación data de 2020. Porén, o último enterro neste cemiterio, con capacidade para 724 corpos repartidos en 147 parcelas, decorreu en 1988. Desde aquel ano atópase completo, polo que o seu principal valor hoxe en día, máis alá das familias con seres queridos no seu interior, é o arquitectónico e escultórico. Cemiterios: galerías de arte por explorar Do total de sepulturas, 126 atópanse no solo. Mais o que caracteriza este camposantos é o gran número de mausoleos e panteóns que posúe, na maioría do século XIX. Entre os seus residentes máis ilustres, destaca John O'Dogherty, un dos heroes da batalla de Pontesampaio (Pontevedra). Outros cemiterios galegos Na Galiza, cunha ampla tradición vencellada coa morte, son varios os cemiterios e camposantos destacábeis, tanto a nivel arquitectónico como simbólico. É o caso do Cemiterio dos Ingleses (Camariñas), en plena Costa da Morte, onde descansan os restos dos 172 mariñeiros falecidos no naufraxio do HMS Serpent en 1890. 'HMS Serpent', segunda entrega do coleccionábel 'A historia marítima baixo as nosas augas' Outro dos cemiterios galegos con relevancia internacional é o de San Amaro, na Coruña, que desde 2013 forma parte da Ruta de Cemiterios Europeos. Tamén foi recoñecido pola revista National Geographic en 2020. É un dos máis antigos da Galiza e do Estado español. O poeta e autor da letra do Himno Galego Eduardo Pondal conta cunha sepultura nel, ao igual que Curros Enríquez, Manuel Murguía e cinco dos fillos que tivo con Rosalía de Castro. Máis ao sur, en Cambados, o camposanto que se atopa entre as ruínas de Santa Mariña do Dozo foi cualificado polo escritor Álvaro Cunqueiro como "o cemiterio máis melancólico do mundo". Tanto o cemiterio como os restos da capela forman un conxunto arquitectónico moi valorado polas persoas amantes do turismo cultural. As marcas perdidas Pola súa parte, na cidade de Lugo atópase o cemiterio de San Froilán, premiado en 2015 como o camposanto con mellores monumentos funerarios do Estado español. No seu interior pódense ver diferentes estilos escultóricos e arquitectónicos, encabezados polas pezas de arte neogótica presentes na entrada do cemiterio, obra do arquitecto lucense Nemesio Cobreros. |
NOS_16501 | A escritora Marta Orriols (Sabadell, Catalunya, 1975) conversa con 'Nós Diario' sobre 'Aprender a falar coas plantas' (Premio Òmnium á mellor novela do ano en lingua catalá) e que vén de ser publicada en galego por Aira Editorial. A obra conta a historia de Paula, que perde a súa parella nun accidente unhas horas despois de que el lle comunicara que estaba namorado doutra muller. Orriols fala da morte e dos aspectos que a rodean como o dó, a idealización ou a toma de conciencia tras a perda. | —Cre que hai espazo na nosa sociedade para falar da morte e da dor?A novela é de 2018 e o outro día reflexionaba acerca disto porque é certo que no seu momento eu sempre explicaba que tiña a sensación de que nos custa falar do dó e da perda, de que vivimos obsesionados con que todo ten que ir ben e estamos metidos nunha especie de fábrica de felicidade. Con todo, tamén penso que a pandemia deu espazo para tratar esta preocupación, as mortes repentinas e a soidade e ademais para tratalo como algo público e comunitario. Cando consideramos que é algo que pertence ao ámbito privado e non falamos, convertemos estes temas en tabú. Penso que, afortunadamente, cada vez se lle dá máis importancia a estes sentimentos máis profundos, que se non son tratados inclusive poden derivar en problemas de saúde mental. Por iso, agardo que polo menos a pandemia servira para iso, para que a morte e o dó estean enriba da mesa. —Non é só como procesa cada persoa a dor, senón tamén como se relacionan con ela as persoas do seu arredor.De feito, a novela intenta plasmar esa diferenza que hai entre a pena e a compaixón. A pena implica que os que te escoitan e te acompañan están mellor ca ti e non che dá esa calor que posibelmente precisas. Pola contra, a compaixón é cando o outro se pon no teu sitio, sabes que está aí e ás veces non fai falta dicir moito. Precisamente, a palabra compaixón vén do grego e quere dicir sufrir xuntos. É esa sensación de que quen está ao teu lado te comprende. —A novela tamén fala da idealización após a morte.Quería fuxir do drama e situar a acción na encrucillada sentimental de Paula. Isto servíame para tomar distancia e non facer un texto tan lacrimóxeno que me caese das mans. Para min era importante que Mauro fora narrado tal e como era, e iso non significa sacar os trapos sucios, que tamén porque ela descobre que el leva esta dobre vida. Penso que tendemos a facer da morte algo grandilocuente e cando falamos de alguén que xa non está ás veces hai esta sensación de case convertelo nun santo. É máis xusto lembrar unha persoa tal e como era, coas cousas boas e as contradicións, porque iso é o que nos fai humanos. E a novela fala disto: mentres alguén nos lembre, sempre estamos vivos, mais é importante falar de quen era esa persoa realmente, e iso non sempre son cousas marabillosas, senón xestos pequenos do día a día. —Fai falla perder algo para saber o que vale?Adoita pasar e cando acontece aprendes a apreciar moito máis as cousas que posúes e que dás por sentado. Paula e Mauro tiñan esta relación de moitos anos que se fora desfacendo como pasa en moitas outras e por iso, a pesar de que el estivera con outra, ela chega a entendelo en certa forma. Cando el xa non está, ela dáse de conta de todo o que iso lle achegaba e de canto o quería. Cando falta algo que das por sentado porque xa estaba integrado na túa rutina dáste de conta: sempre criticamos a rutina, mais cando xa non a temos vemos o valor que tiña. —Esperaba ver a súa obra traducida a 16 linguas?Para nada. Eu escribía até cun pouco de medo porque pensaba que a xente non querería ler sobre a morte contada desta forma. Deime de conta de que é ao contrario, que acabas pondo palabras a sentimentos que todos temos, que son moi profundos e que custa expresar. En parte as traducións teñen que ver con isto: é unha historia moi universal aínda que a morte sexa unha experiencia persoal e íntima. O galego ilusióname moitísimo e espero que a xente poida desfrutar da tradución marabillosa que fixo Isaac Xubín. |
NOS_20293 | Anuncian que farán alegacións ao macroproxecto que afecta os concellos de Lalín, Dozón, Rodeiro, Vila de Cruces e Silleda e chaman á mobilización social. | O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou a "fraude" da que acusa á tramitación de dous proxectos eólicos desenvolvidos en tres concellos da comarca do Deza e que, segundo a formación, fan parte "dun único" parque que, desta forma, busca "flexibilizar" a aplicación da normativa ambiental. Así o expresou o deputado nacionalista no Congreso Néstor Rego, que visitou Lalín acompañado por representantes do Bloque nos municipios sobre os que se asentan estes proxectos que, para a formación nacionalista, encádranse na "grande ofesiva" do sector eólico para desenvolver iniciativas na Galiza. "Non podemos permitir que se siga estragando o noso medio natural, as nosas potencialidades agrogandeiras, a nosa paisaxe en favor de grandes empresas espoliadoras que levan o beneficio que obteñen do país sen que repercuta nin un só euro na Galiza", aseverou Rego. O parlamentar asegurou que o "macroparque" de 112 watios proxectado nos municipios de Lalín, Rodeiro e Dozón é "un único proxecto" a pesar de presentarse como dous pois partillan a mesma liña de evacuación, unha práctica que o Bloque tacha de "fraudulenta", xa que así procurarían "flexibilizar a normativa ambiental actual". "Temos que denunciar esta fraude, xa que afecta a todo o territorio sensíbel, terreo agrogandeiro e mesmo a especies que se atopan en perigo de extinción, como é a tartaraña cincenta", apuntou Rego, que avanzou a presentación de alegacións aos proxectos, que se atopan en período de exposición pública. Aliás, Rego defendeu a aplicación dunha tarifa eléctrica galega para beneficiar " familias e empresas galegas pois Galiza é excedentaria e exporta enerxía ao resto do Estado, na súa maioría renovábel, pero segue a pagar unha das facturas eléctricas máis altas". Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG en Lalín, Francisco Vilariño, recriminou que "quen promove e ampara estes proxectos semella non ser consciente da importancia económica agrogandeira do territorio escollido. Trátase dun desprezo a capacidade produtiva do rural galego e só se pode cualificar de auténtico espolio do territorio servido aos especuladores enerxéticos do vento", dixo. "Valoramos como especialmente grave, que a diferenza doutros parques que por costume ocuparon superficie forestal e de mato nos altos das Serras, agora estes, denominados Val do Folgoso e Monte dos Porcallos, ocupen na maior parte terras de uso agrícola e gandeiro para pasto vacún. Unhas 30 granxas da contorna, de vacún, porcino e avícola, case todas elas con moi poucos anos de funcionamento, quedarán baixo a influencia da construción e do ruído dos aeroxeradores, a maioría entre 200 a 400 metros de distancia", apuntou. |
NOS_6031 | Son do ámbito do soberanismo, contan até o de agora co apoio de 23 colectivos sociais e visan como obxectivo a defensa dos intereses nacionais galegos. Mantiveron xa unha reunión exploratoria o pasado 16 de decembro en Compostela e este sábado teñen axendada unha nova cimeira, tamén na capital do país. | O 16-D os colectivos reunidos en Compostela adoptaron uns acordos mínimos a partir dos cais traballar no lanzamento da plataforma. O primeiro, o de estabelecer os principios que dan sentido á entidade. Son moi xenéricos, pensados para acoller a maior pluralidade posíbel de pontos de vista. Resúmense en dous: primeiro, Galiza é unha nación; segundo, como nación ten direito a exercer libremente a súa autodeterminación. É unha convocatoria vocacionalmente aberta a "todas as organizacións sociais" que podan aderir estes principios, segundo o escrito ao que estes colectivos deron luz verde na reunión do 16-D e ao que tivo acceso Sermos Galiza. A iniciativa parte de sete fundacións do ámbito do soberanismo galego (Artábria, Alexandre Bóveda, Galiza Sempre, Manuel María, Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Vía Galego) e na súa primeira toma de contacto convocou as seguintes entidades: a Asociación Cultural Alexandre Bóveda (A Coruña), as Asociacións de Veciñas e Veciños de Agra do Orzán e Oza-Os Castros (as dúas de A Coruña), a Asociación Cultural O Facho (A Coruña), a Asociación Cultural Cultura do País (Lugo), a Asociación Cultural e Musical Solfa (Compostela), a Asociación Cultural O Castro (Vigo), a Asociación Cultural Centáurea (Gondomar), a Asociación Cultural O Galo (Compostela), a Asociación Roxín Roxal (Paderne), a Asociación Cultural Altofalante (Ribeira), a Asociación Cultural Auriense (Ourense), a Asociación de Estudos Galegos, a Asociación Galega de Emigrantes Retornados Marusia, AJA Galiza José Afonso, A Gentalha do Pichel (Compostela), Cultural Aberta (Carral), Confederación Intersindical Galega (CIG), Centro Social Gomes Gaioso (A Coruña), Federación Galiza Cultura, Federación Rural Galega (FRUGA), Mar de Lumes e Sociedade Cultural Medulio (Ferrol). "A idea", di a Sermos Galiza Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras, "é que o sábado se reúnan aínda máis entidades para pór en andamento a plataforma e comezar xa o traballo de a dar a coñecer polo país adiante". Estamos perante a réplica galega da Assemblea Nacional Catalana? "Ben, non sei moi ben como funciona a ANC nen como se estrutura", afirma Seixo, "esta plataforma desde logo ao que si responde é a propia realidade nacional galega". Hai dúas razóns básicas que explican o seu aparecimento. A primeira é socio-económica, "a situación interna do país, cos servizos públicos no estado en que están, coas altas cifras de desemprego, co despoboamento, coa emigración da xente moza". A segunda ten a ver co debate territorial en curso no Estado "e coa necesidade de Galiza ser visualizada, aparecer con perfil propio, nese debate". Vía Galega Xa hai unha proposta concreta de nome para esta plataforma: Vía Galega. A denominación definitiva será aprobada na reunión deste 20X en Compostela, xuntanza que terá lugar na Sede Central da CIG, a partir das 11 horas. Non será o único ponto da orde do día. Os colectivos presentes constituirán o Plenario e a Coordinadora Nacional da plataforma e poñerán na axenda as súas primeiras accións. A nova entidade poderá convocar desde xornadas de debate até manifestacións, "mais nunca entrará na disputa de espazos coas organizacións políticas xa existentes", esclarece Seixo. A plaforma -a diferenza de experiencias anteriores como Galiza pola Soberanía- concíbese como un ponto de encontro de organizacións e colectivos sociais. Non está prevista a participación a título individual, embora si se arbitrarán mecanismos para as cidadás e os cidadáns poderen emprestar a súa colaboración. E tampouco está na vontade dos colectivos promotores a inclusión na entidade de organizacións políticas. "O noso campo de xogo é o social", explica Suso Seixo, quen avanza que a toma de decisións será sempre a do "consenso amplo". "Non se trata de estabelecer maiorías ou minorías. As cousas ou se farán por consenso ou non se farán". E os consensos parten xa de orixe de principios elementais para todo o tecido social nacionalista, soberanista ou independentista: a consideración de Galiza como nación e o seu direito á libre determinación. "Estamos de acordo todas as entidades en construír a nosa acción a partir de acordos básicos aos que se poda sumar o maior número posíbel de colectivos do país", conclúe Seixo. Nota: grazas á indicación dun leitor detectamos un erro: na versión inicial desta información aparecía o nome "Assamblea Nacional Catalana" cando o correcto é "Assemblea Nacional Catalana" |
NOS_47189 | O día despois da demisión de Ana Mato o presidente español presentou dous proxectos de lei con actuacións contra a corrupción. BNG, PSOE, IU e UpyD presentaron emenda de totalidade. | O presidente español compareceu esta quinta feira no Congreso para, co 'cadáver político' da demitida ministra Ana Mato aínda quente, presentar unha batería de medidas e compromisos contra a corrupción, algunhas delas xa prometidas hai dous anos e outras de novo cuño. Dous proxectos de lei presentados por Mariano Rajoy para combater a corrupción á vez que afirmaba que "non existe a corrupción xeralizada". Pediu o presidente perdón polas persoas corruptas no seu partido e cargou contra os que cualificou de "salvapatrias das vasoiras", en referencia a Podemos. Rajoy debullou medidas como a da reforma do código penal para que o financiamento ilegal sexa delito de seu ou o endurecemento das penas de inhabilitación. Tamén propuxo actuacións de maior transparencia polo que sexan públicos os nomes das persoas doantes aos partidos. Non lexitimado Nin as explicacións de Maria Rajoy sobre a corrupción nin as medidas contra a mesma convenceron á oposición. BNG, IU, PSOE e UPyD presentaron emendas de totalidade a eses dous proxectos. Para a portavoz nacionalista galega estas propostas do goberno son meramente "cosméticas" e "insuficientes". Cualificativos que tamén se empregaron desde outras bancadas de grupos parlamentares da oposición. Olaia Fernández Davila lembrou que Rajoy xa prometera hai dous anos medidas contra a corrupción "e daquela falara como un dos seus grandes compromisos". A parlamentar meteu o dedo na chaga ao falar de que a privatización dos servizos públicos e as portas xiratorias son tamén aspectos que favorecen a corrupción. Fernández Davila considera que Rajou debería deixar o cargo pola súa defensa "numantina" de cargos imputados por corrupción, unha demanda que tamén fixeron outros grupos, como o de Amaiur ou IU. O portavoz de Amaiur pediu na súa intervención a "disolución" do Partido Popular e asegurou que ao PP "non lle interesa" loitar contra a corrupción. Desde ERC pediron ao presidente español "menos discursos" e "máis compromisos", incidindo no grao de corrupción existente no Estado español, que mesmo atinxe "a familia Real". Para Izquierda Unida, Rajoy non posúe autoridade para loitar contra a corrupción e emprazou o presidente español a que demitise e convocase eleccións após lle reprochar que coa que caeu nestes tes anos "non fixese nada". CiU convidou a Rajoy a "tomar nota" das medidas contra a corrupción que foron aprobadas pola Generalitat. Pedro Sánchez (PSOE) insistiu no discurso que mantén desde a súa chegada á secretaria Xeral dos socialistas, dicindo que Rajoy non está capacitado para impulsar "a rexeneración" que precisa o Estado español. |
NOS_6788 | CIG-Ensino chama a eliminar dos centros educativos os nomes vinculados co franquismo. | Dous meses despois de que se reclamase a eliminación do nome do fascista Salvador Moreno do colexio vinculado ao Ministerio de Defensa na cidade de Pontevedra, o Ministerio vén de publicar no seu boletín oficial o cambio de denominación con efectos de finais deste curso escolar. Moreno participou no golpe de estado contra a I República e exerceu diferentes cargos e responsabilidades na ditadura franquista, como ministro da Mariña. O nome fixado por Defensa é Juan Sebastián Elcano. A demanda partía dunha serie de entidades, entre elas a CIG-Ensino, que se tiñan pronunciado a prol da retirada da distinción a este fascista vinculado moi directamente co golpe militar de 1936 e da represión posterior. Desde a CIG-Ensino demandan que se dean pasos adiante nas demais demandas que trasladaron o pasado 5 de marzo ao Ministerio de Defensa e outras administracións: a modificación dos principios que figuran na web do colexio, impropias dun centro público ("El proyecto educativo del colegio se inspira en una concepción cristiana del hombre y de la vida") ou a colocación da bandeira galega no edificio, ausente a día de hoxe. Desde a CIG-Ensino considern, con todo, que o paso principal que se debe dar é a transferencia deste centro á Xunta, seguindo o camiño do traspaso dos centros vinculados ao ISM no ano 2007 ou outros centros vinculados tamén ao Ministerio de Defensa na comarca de Ferrolterra como o CEIP Isaac Peral, o IES Saturnino Montojo ou o CEIP Virxe do Mar. A CIG-Ensino informa que porá en marcha nos próximos días unha campaña para instar ás diferentes administracións públicas a eliminar dos nomes dos centros escolares as referencias a persoas cun pasado fascista e que se significaron claramente coa represión da ditadura e o apoio ao réxime franquista. Neste sentido, o sindicato vai dirixirse á Xunta de Galiza, á Deputación da Coruña, ao Ministerio de Educación e a diferentes Concellos con colexios con nomes franquistas ou con distincións honoríficas para que se cumpra a Lei de Memoria Histórica de 2007 |
NOS_35115 | Conversamos cun dos estudantes detidos o 5 de novembro polos protestos nunha visita de Feijóo á USC. A policía acúsao dun suposto delito de "atentado á autoridade, desobediencia e altercado". | Aaron Curbeira foi un dos estudantes detidos após o protesto decorrido na Facultade de Matemáticas en que un grupo de alumn@s apuparon o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, obrigando a cancelar a súa ponencia nun ciclo de conferencias organizado pola USC. Dúas semanas despois dos acontecementos ocorridos o 23 de outubro, Aaron, integrante da organización estudantil Agir, foi detido na súa facultade por axentes da policía española. "Xa me estaban vixiando á porta da casa", explica en conversa con Sermos Galiza. "Retiráronme o documento de identidade e o teléfono e metéronme nun vehículo", acrecenta. Fotografías da imprensa como probas Durante ese tempo non lle foron explicadas as razóns da súa detención, afirma, que lle serían indicadas unha vez chegou a comisaría. Após varias horas detido pasou a disposición xudicial xunto con M.A, outro estudante. Un terceiro estudante foi detido esta sexta feira, pasou a disposición e foi posto en liberdade con cargos Xa nos xulgados de Fontiñas (Compostela), Aaron coñeceu os cargos dos que é acusado. Un presunto delito de "atentado á autoridade, altercado e desobediencia" en base, subliña, "ás fotografías publicadas" nun coñecido diario local compostelán "no que se ve a disputa cos garda-costas de Feijóo". Durante a vista co xuíz, Aaron Curbeira estivo asistido por unha avogada de oficio e, até o momento, descoñece cal será a sanción que lle pida a Fiscalía. Aínda así, algúns medios de comunicación, como VTelevisión, aseguran que o fiscal pedirá penas de prisión. "Polo de agora non hai unha petición formal mais de prosperaren algúns dos delitos podería darse a petición de prisión", sinala con prudencia á espera de se reunir xa coa persoa que levará a súa defensa formalmente. Unha "estratexia para desmobilizar" Após o acontecido, Curbeira asegura que as detencións --á que se sumou esta sexta feira (7 de novembro) a dun outro estudante xa posto en liberdade con cargos-- "enmárcanse na estratexia de desmobilización do estudantado e da mocidade combativa". "Queren amedrentar", di, nomeadamente "a aquel estudantado que fixo parte do protesto e non está organizado". "Polo de agora non hai unha petición formal mais de prosperaren algúns dos delitos podería darse a petición de prisión" A respeito do uso de fotografías difundidas pola imprensa para xustificaren as acusacións policiais, Aaron amósase certo de que "é un papel que xogan algúns medios de comunicación" cuxas informacións, afirma, "queren manipular a opinión pública falando primeiro de estudantes e logo de radicales independentistas, por exemplo". Este feito, xa foi empregado nas detencións a seis estudantes compostelás enmarcadas nos protestos da frota do cerco ás portas do Parlamento. Así as cousas, salienta, "no meu caso isto o que me fai é seguir, sobre todo pola solidariedade que se me trasladou nestes días por parte doutras organizacións e de persoas individuais". Segundo Curbeira, "nótase un cambio, aínda que sexa pequeno, na sociedade" que ve con outros ollos "casos de represión" coma este. O procedemento xudicial continúa o seu curso e podería demorar por volta dun mes até se coñeceren as acusacións formais da Fiscalía. |
NOS_58596 | Após recorrer unha sentenza previa favorábel á CIG-Ensino, o Tribunal Supremo exixe que a administración galega garanta o recoñecemento médico periódico ao persoal docente e obriga á administración a asumir os costes do xuízo | Así o recoñeceu o Tribunal Supremo. A Xunta de Galiza non poderá continuar a negar este dereito @s docentes da rede de ensino público como pretendía a Consellaría de educación e deberá garantir recoñecementos médicos periódicos para o profesorado público de acordo co estabelecido na Lei 31/1995 de Prevención de riscos laborais Após o recurso presentado pola administración galega --que se negaba a dar cumprimento a unha sentenza de 2012 do TSXG--, o Tribunal Supremo vén de de dar de novo a razón á CIG-Ensino e obriga á Xunta de Galiza a cumprir co legalmente estabelecido respectando o dereito do persoal docente aos recoñecementos médicos. O Tribunal Supremo, que desestima o recurso presentado pola Xunta obriga, asemade, ao executivo galego a asumir os costes do xuízo ao entender que o posicionemento da Xunta supuña un tratamento discriminatorio para máis de 30.000 traballadoras e traballadores. Desde a federación da central nacionalista exixen á Consellaría que "cumpra" coas súas orbigas legais e garanta o recoñecemento médico neste curso académico, do contrario, advirten que acudirán de novo aos tribunais para a obriguen a o executar. |
NOS_20631 | ERC esixe a Pedro Sánchez "un referendo sen represión" | Oriol Junqueras compareceu unha vez que se definiron os resultados que deron 33 deputados a ERC, un máis dos 32 de Junts, para declarar que por primeira vez en oitenta anos haberá un presidente da Generalitat de ERC. Junqueras dixo que os republicanos están comprometidos a culminar o proceso coa república "estendendo a man ás outras formacións do país". Pere Aragonès será probabelmente o próximo presidente. Aragonés fixo un chamamento ás forzas independentistas e partidarias do dereito de autodeterminación e amnistía para que o apoien. Celebrou a paralización da operación estatal que pretendía desbancar a independencia das institucións incluso cos votos da extrema dereita. E dirixiuse ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, dicíndolle que é hora de resolver o conflito político. "Resólvese votando nun referendo sen represión, libre e democraticamente". A candidata de Junts, Laura Borràs, instou ERC e CUP a "traballar xuntos" para formar un goberno independentista "forte". A candidata á presidencia de JxCat cualificou as eleccións como unha "grande vitoria" do independentismo fronte ao 155. Borràs pediu "non desperdiciar a nova oportunidade histórica" que asegura que deron os cidadáns para avanzar en Cataluña cara á república. Carles Puigdemont falou desde Waterloo para sinalar que os partidos "da represión" foran derrotados este domingo nas urnas. Afirmou que o 14-F serviu para demostrar que a independencia gañou de novo e coa "mesma claridade" que en 2017. O presidente de Junts celebrou que a independencia, de feito, agora é "mellor" porque a cifra do 50% de votos superouse. A CUP saíu máis forte destas eleccións: pasou de 4 deputados a 9 e mantivo practicamente o mesmo número de votos que en 2017, a pesar dunha forte caída na participación. Pero o dato máis importante é que a CUP ten a clave da investidura, porque só cunha abstención permitiría a investidura de Pere Aragonès cos votos favorables de ERC e Junts Nunha comparecencia pública despois de anunciados os resultados, Dolors Sabater instou ás partes a facer fronte á extrema dereita de Vox e comprometerse en relación co dereito á autodeterminación e "a favor do cambio social e económico". Engadiu: "Debemos facer fronte ao marco autonomista que nos priva dos nosos dereitos, que persegue o dereito á autodeterminación e que encarcera e exilia e persegue a independencia". |
NOS_13739 | O sector do certo realizou na mañá do domingo un acto como colofón ao campamento que durante tres meses se erixiu ás portas do edificio administrativo da Xunta de Galiza, en San Caetano. Falamos con Lucía Olveira, portavoz das mulleres do cerco. | Na mañá do domingo o sector do cerco citouse en San Caetano para realizar un acto con motivo do levantamento da acampada reivindicativa que mantiña desde había tres meses ao pé do edificio administrativo da Xunta para reclamar xustiza no reparto das cotas. Precisamente, mañá, segunda feira (25 de xaneiro) os mariñeiros volven ao mar para tratar de vivir da pesca. Iso non significa que rematen as mobilizacións. Todo o contrario. Agora son as mulleres do cerco quen se poñen á fronte dos protestos para "culminar cunha vitoria a batalla que comezaron os homes", explica en declaracións a Sermos Galiza Lucía Olveira, mariscadora da praia de Noia e armadora dun barco do cerco con base en Portosín. Lucía foi quen se encargou de darlles voz ás mulleres afectadas pola loita do sector. Foi ela quen leu o manifesto que lle puxo o punto final ao campamento. "Conseguir un reparto xusto e equitativo é unha tarefa ardua e complexa que levará algún tempo conseguir. Debemos recordar que estamos na fase preliminar nunha das grandes batallas da xente do mar", sinalou. Lucía Olveira: "Actuamos con contundencia e firmeza e listas para gañar as batallas que temos por diante até que, por fin, poidamos conseguir a vitoria" "Actuamos con contundencia e firmeza e listas para gañar as batallas que temos por diante até que, por fin, poidamos conseguir a vitoria", salientou esta mariscadora e armadora, quen nos revelou que nos próximos meses as mulleres do cerco recollerán sinaturas en defensa do sector ao longo da Galiza, presentarán cartas escritas por elas mesmas nos rexistros da Xunta e continuarán loitando por acadar o que consideran "xusto", un reparto equitativo das cotas. "Moitos preguntades que queredes? Queremos traballar no mar, vivir e coidar o mar. Iso é o que queremos. Cal foi o obxectivo da acampada? Xustiza, a toda costa, a pesar dun goberno que elabora leis que benefician unha minoría fronte a unha maioría", expuxo a armadora. "Sen xustiza non haberá supervivencia. Se nos rendemos e baixamos os brazos fronte as políticas que nos asoballan, acabaremos sendo a nada", engadiu Lucía Olveira. No manifesto, as mulleres tiveron palabras para "todos os que nos apoiastes ao longo destes meses de reivindicación". "Necesitamos que nos sigades apoiando. Non temos moito que ofrecer agás o sangue, o esforzo, o suor e as bágoas, amais da promesa de que nos ergueremos en primeira liña cando necesitemos de vós", afirmaron. As mulleres do cerco aos mariñeiros: "Seremos a vosa voz e o voso alento, os vosos pasos ao camiñar" Os armadores tamén foron destinatarios das palabras das mulleres do cerco, "os tres meses que pasastes aquí tirados e abandonados de toda esperanza non foron en van. Imos loitar por todos vós. Seremos a vosa voz e o voso alento, os vosos pasos ao camiñar", remataron, emocionadas. Os mariñeiros continuarán a loita nos tribunais O presidente da Asociación do Cerco de Galiza (ACERGA), José Blanco, insistiu en declaracións aos medios que o levantamento do campamento non significa que os mariñeiros se retiren da loita. "Continuarémola nos tribunais, nos despachos dos políticos e a través de manifestacións", afirmou. Ao acto de levantamento da acampada asistiron centos de persoas, entre os que se atopaban representantes políticos do PSOE, BNG, AGE e de Compromiso por Galicia, amais da CIG. |
NOS_29993 | Abaixo os muros cualifica de "represalia" o illamento por mor da Covid de Miguel García Nogales e Xoán Manuel Sánchez Rodríguez, algo que, afirman, "vulnera o protocolo sanitario que o cárcere debe aplicar". | O colectivo Abaixo os muros vén de emitir esta sexta feira un comunicado no que denuncia que os presos independentistas Miguel García Nogales e Xoán Manuel Sánchez Rodríguez "permanecen nunha corentena ilegal" no cárcere de Teixeiro. Esta situación, afirman, dáse desde hai 16 días e mantén os presos "en absoluto illamento, sen saídas ao patio e coas chamadas restrinxidas a unha cada dous días". "Logo de daren positivo en Covid foron postos en corentena e, incumprindo o protocolo do Consello Interterritorial de Saúde, que regula a actuación fronte á Covid nos centros dependentes de Institucións Penitenciarias, realizóuselles unha nova PCR, na que volveron dar positivo, aínda que non teñen síntomas de tipo ningún", sinala a entidade. Esta práctica, sosteñen, "non se dá en ningún lugar" e "vulnera o protocolo sanitario que o cárcere debe aplicar", que nesta cuestión, salientan, estabelece que "os casos confirmados por proba diagnóstica de infección activa (PDIA) serán illados sanitariamente en cela durante sete días, con cando menos tres días sen síntomas, sen necesidade de realizar outra PDIA". Desde Abaixo os muros denuncian a "tortura encuberta que se está a aplicar nos centros penitenciarios galegos, nomeadamente nos centros da Lama e Teixeiro", e lembran que a denominada 'Lei Mandela', que regula o tratamento penitenciario a nivel internacional, "considera tortura o illamento igual ou superior aos 14 días". "Consideramos que a persecución que están a sufrir os dous compañeiros, Xanma e Miguel, forma parte dunha serie de represalias pola sua militancia política e pola presión que, desde fóra dos muros, familiares e achegadas estamos a facer a prol dos dereitos das persoas presas, dramaticamente recortados coa escusa da pandemia", censuran. Por último, o colectivo fai un chamamento á "fin dos abusos penitenciarios en nome da Covid" e pide que se "esclarezan as responsabilidades". |
NOS_5570 | A SEPI escolle un ex de Abanca e do Popular para dirixir o fondo de rescate para empresas estratéxicas en crise. | A Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) vén de nomear Julián Mateos, actual director de Negocios de SEPI Desenvolvemento Empresarial (Sepides), como novo director do Fondo de Apoio á Solvencia de Empresas Estratéxicas, creado polo Executivo estatal para saír ao rescate das empresas máis golpeadas pola crise da Covid. Antes de aterrar na SEPI, Mateos, licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, traballou no Banco Popular e Caixanova, así como nas sucesivas entidades ás que deu orixe a fusión das caixas galegas, incluída Abanca, actual herdeira dos seus negocios financeiros. Até a data, o fondo que dirixira este vello coñecido das entidades galegas concedeu axudas por importe de 1.080 millóns de euros, o que supón 23% do total solicitado. O fondo foi constituído hai un ano dentro do contexto provocado pola pandemia do Covid-19 e aprobou desde a súa creación as axudas para Air Europa (475 millóns), Duro Felguera (120 millóns), Plus Ultra (53 millóns); Ávoris Corporación (320 millóns), e Tubos Reunidos (112,8 millóns). Entre as empresas que agardan por unha resposta á súa solicitude figuran Hotusa, do galego Amancio López, que pediu 320 millóns de euros á SEPI, e Ferroatlántica, que solicitou outros 33 millóns de euros. |
NOS_12002 | De inaceptábel. Así cualifica a Organización Mundial da Saúde (OMS) o ritmo lento da vacinación contra o Covid-19 en Europa. O organismo chama a acelerar a inmunización da poboación debido ao aumento do número de casos. | Nun comunicado emitido esta quinta feira, a OMS lembrou que a semana pasada houbo un aumento dos positivos do coronavirus na maioría dos países europeos, con 1,6 millóns de novos casos e preto de 24.000 mortes. "Hai só cinco semanas, o número de novos casos en Europa baixara a menos dun millón á semana, pero agora a situación é máis preocupante que a que vimos en varios meses", lamentou o director rexional de Emerxencias da OMS para Europa, Dorit Nitzan. Ademais, a OMS subliñou que a variante británica do virus xa é a predominante e está detectada en 50 países europeos, polo que advertiu da necesidade de "accións adicionais para controlalo", xa que é máis transmisíbel. Así mesmo, alertou dos riscos asociados a un aumento da mobilidade e das reunións coa chegada da Semana Santa. A organización asegurou que as infeccións aumentaron en todos os grupos de idade excepto no dos maiores de 80 anos, polo que o impacto da vacinación xa se está a notar. "As vacinas presentan a mellor forma de saír desta pandemia. Non só funcionan, tamén son eficaces na prevención de infeccións. Non obstante, o seu despregamento é inaceptabelmente lento. E mentres a cobertura sexa baixa, debemos aplicar as mesmas medidas sociais e de saúde pública que aplicamos no pasado ", subliñou Henri P. Kluge, director rexional da OMS para Europa. 10% da poboación europea recibiu unha dose e 4% completou a serie Segundo os seus cálculos, só o 10% da poboación europea recibiu unha dose da vacina e só o 4% completou a serie completa. "O risco de que a vacinación continua proporcione unha falsa sensación de seguridade ás autoridades e ao público é considerábel e iso supón un perigo", dixo. "A probabilidade de que se produzan novas variantes preocupantes aumenta coa velocidade coa que o virus se replica e se espalla, polo que é fundamental deter a transmisión mediante accións básicas de control da enfermidade. E hoxe, a diferenza de hai un ano, temos mellores sistemas de proba e rastrexo, máis rápido intercambio de información e sabemos moito máis sobre como atender os enfermos críticos ", puxo de manifesto. As probas ampliadas, o illamento, o rastrexo de contactos, a corentena e a secuenciación xenética son as ferramentas básicas de saúde pública que deben empregarse e reforzarse continuamente, subliña a OMS. |
NOS_5843 | A través dunha votación na rede, o público elexiu ao Colectivo Bomba, 8 mm e Kuarembó para completar o cartel do festival Repercusión que se desenvolverá os días 11, 12 e 13 de xullo en Bemposta, coa participación de Manu Chao e "Muchachito y sus compadres". | Arredor de dous mil apoios na rede social facebook conseguiron cada unha das propostas que integrarán o cartel do Reperkusión por vontade do público. Por segunda edición, a organización deixou nas mans do público completar o seu cartel e as opcións elixidas entre as 34 presentadas foron a fusión de ska, reggae, rock, cumbia con letras con contido social do Colectivo Bomba de Lugo, a proposta teatral da compañía galega 8 mm que levará a Ourense o seu espectáculo "Unha historia de amor ao Tarantino" máis a percusión con golpes sociais dos canarios Kuarembó. Máis de 13.000 votos recibíronse na páxina de Reperkusión nesta convocatoria aberta do seu programa participativo. Reperkusión 2014 pechará a próxima semana o cartel desta nova edición do festival no que xa está confirmada a presenza de Manu Chao, que será a cabeza de cartel do sábado 12 nunha xornada que compartirá con Dirty Honkers de Berlín, Dani Lança desde Barcelona, os galegos Terbutalina ou Hadri H + Friends. "Muchachito y sus compadres" animarán ao público a sexta día 11 xunto con N.O.A.H, Kimbala, Crassh, Cuchufellos e Funkombo. Etnradas e abonos xa están a venda na páxina do festival www.reperkusion.com que, nesta nova edición inventou o "Bono Pandilla", para ir en grupo a Bemposta, coa posibilidade de descontos ou mesmo bus gratis. |
PRAZA_7026 | Despois da constitución formal de Podemos como partido, a pasada fin de semana, comezou a seguinte fase de conformación: a elección dos seus órganos locais (que se votarán a finais de decembro) e de ámbito galego (que se votarán en febreiro) | Podemos completou a pasada fin de semana o longo proceso da súa asemblea cidadá, que combinou os actos presenciais cos debates e votacións telématicas e que, coa elección de Pablo Iglesias como secretario xeral e dos integrantes dos restantes órganos (consello cidadán e comisión de garantías), dixo oficial a súa constitución como partido. De inmediato comezou unha segunda fase: a conformación das estruturas locais e autonómicas de Podemos, seguindo un modelo e unha metodoloxía semellantes ás empregadas no primeiro proceso. Cada unha das estruturas locais de Podemos (círculos) levará a cabo o seu proceso constituínte (de acordo co regulamento aprobado) de cara á conformación oficial destes círculos, que ata agora viñeron funcionando de maneira provisional. Do 16 de novembro ao 5 de decembro está aberto o proceso de presentación de candidatos e candidatas á Secretaría Xeral e ao Consello Cidadán en cada localidade. Os candidatos e candidatas deben presentar un proxecto político-organizativo para a organización no seu concello. Do 16 de novembro ao 5 de decembro está aberto o proceso de presentación de candidatos e candidatas á Secretaría Xeral e ao Consello Cidadán en cada localidade Non se escollerán Consellos Cidadáns naqueles concellos nos que Podemos teña menos de 100 persoas inscritas. Cando haxa entre 100 e 200, o Consello Cidadán estará formado por 7 membros. Naqueles que conten con entre 200 a 500, será de 11 integrantes. De 500 a 1000, será de 17. De 1000 a 2000, o Consello de Cidadán será de 21 persoas. E por riba dos 2000 afiliados e afiliadas, estará integrado por 25 persoas. Do 6 ao 25 de decembro levarase a cabo a campaña electoral. As votacións, por listas abertas, celebraranse do 26 ao 30 de decembro, aplicando un mecanismo de corrección para asegurar o equilibrio de xénero nos Consellos Cidadáns. Do 9 ao 13 de febreiro realizaranse as votacións para escoller a Secretaría Xeral de Podemos en Galicia e máis o Consello Cidadán galego Xusto despois, iniciarase o proceso para elixir os órganos de Podemos en cada unha das comunidades autónomas. Do 7 ao 25 de xaneiro poderán presentarse candidatos e candidatas á Secretaría Xeral e ao Consello Cidadán, que estará formado por 34 persoas, "de forma provisional en tanto non se decida autonomamente noutro senso". Do 26 de xaneiro ao 8 de febreiro levarase a cabo a campaña electoral e do 9 ao 13 de febreiro realizaranse as votacións. Implantación en Galicia Podemos conta en Galicia con 13.556 persoas inscritas (7.265 na provincia da Coruña, 1.092 en Lugo, 953 en Ourense e 4.256 en Pontevedra), segundo o censo correspondente ao 29 de outubro. Por localidades Vigo é a que suma máis afiliacións, cun total de 2.235 (o que lle dá dereiro a elixir un Consello Cidadán con 25 membros); A Coruña chega a 1.966 (21); Compostela a 721 (17); Lugo a 671 (17); Ourense a 588 (17); Pontevedra a 524 (17); e Ferrol a 495 (11). Fóra das sete cidades, hai outras dez vilas galegas que tamén superan os 100 afiliados e afiliadas e que, polo tanto, tamén poderán escoller o seu propio consello cidadán Fóra das cidades, hai dez vilas galegas que tamén superan os 100 afiliados e afiliadas e que, polo tanto, tamén poderán escoller o seu propio consello cidadán: Narón: 255 (11 membros), Arteixo: 156 (7), Oleiros: 130 (7), Vilagarcia: 127 (7), Ponteareas 127 (7), Moaña: 116 (7), Sada: 114 (7), Redondela 114 (7), Carballo: 113 (7) e Cambre 111 (7). Outros concellos quedan por debaixo desa cifra mínima de inscritos e inscritas, ficando sen consello cidadán: Marín (98 persoas afiliadas), A Estrada (84), Ames (84), Teo (79), Tui (79), Monforte (77), Betanzos (74), Nigrán (74), Fene (66), Lalín (65), Mos (65) ou Viveiro (59). Inicio do proceso a nivel municipal Os círculos de Podemos en Galicia iniciaron esta semana os procesos para a súa constitución. En todas as cidades e moitas das vilas máis impotantes celebráronse ou están convocadas asembleas abertas para informar sobre o proceso e para a presentacións dos primeiros candidatos e candidatas. O Círculo Podemos de Ourense celebra asemblea aberta este mesmo xoves, día 20. En Ferrol celébranse asembleas abertas este xoves 20 e tamén o venres 21. En Narón o sábado 22. O círculo de Compostela convoca asemblea aberta para o vindeiro o xoves 27. En Vigo celebrarase o venres 28. De igual xeito, en Lugo convócase unha charla informativa sobre o proceso este sábado día 22. |
NOS_34829 | Néstor Rego, o deputado do BNG no Congreso español, entrevistouse está mañá con Adriana Lastra, ex portavoz socialista no Congreso e unha das líderes do PSOE encargadas de levar adiante os contactos coas distintas forzas parlamentarias para garantir a investidura de Pedro Sánchez. Rego falou ao remate da reunión da "actitude receptiva" do PSOE coas propostas nacionalistas, mais non definiu cal será o sentido do seu voto. | O día previo á recollida da acta como deputado no Congreso, devolvendo ao nacionalismo unha representación institucional de enorme relevancia e da que careceu nos últimos catro anos, Néstor Rego mantivo a súa primeira reunión importante. O PSOE chamou ao BNG para facer parte dun acordo amplo que garanta a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno español o próximo mes de setembro. E as nacionalistas coñecen os beneficios que para Galiza reportan os pactos no plano estatal. Mais coas boas intencións non basta. Co escenario político revolto e os dous líderes dos partidos que apostan pola primeira coalición de Goberno en corenta anos de democracia en España moi debilitados tras os resultados do 10-N, as prevencións son maiores que nunca. Malia a insistencia dos medios españois, Néstor Rego non revelou o sentido do voto das nacionalistas nunha investidura que aínda está no ar. "Foi unha primeira toma de contacto para buscar un posíbel acordo", sinalou o deputado nacionalista ao remate da xuntanza con Lastra. Rego recoñeceu certa "actitude receptiva" por parte do PSOE. "Mais non entramos en temas concretos", matizou de inmediato. En calquera caso, advertiu que "o BNG non ten unha posición predeterminada e o voto a favor ou en contra dependerá de diversos factores". Entre eses factores, citou Rego o programa de Goberno que finalmente poidan presentar o PSOE e Podemos, a receptividade por parte dos negociadores socialistas da "axenda galega" que o BNG porá sobre a mesa, e "as dinámicas políticas a favor dun novo clima de diálogo coas nacións" que sexa quen de crear ese Goberno de coalición. "Están máis preto do si ou do non?", preguntou un xornalista madrileño. "Xa se verá. Mais non nos gustaría ter que votar non", concedeu Néstor Rego. O deputado nacionalista, que nas pasadas eleccións do 10-N sumou máis de 57.700 votos na circunscrición da Coruña, tamén se referiu á coordinación entre as distintas forzas soberanistas chamadas a acordos polos socialistas. Néstor Rego negou que esa coordinación vaia determinar o voto do BNG. "O voto do BNG dependerá en exclusiva dos intereses de Galiza", dixo. "Somos unha forza soberanista e loxicamente compartimos puntos de vista con outras forzas soberanistas das nacións do Estado, mais nós estamos no Congreso para defender os intereses da Galiza", insistiu. Rego tamén fixo referencia a que nesas conversas dos soberanistas co PSOE tamén se porán sobre a mesa outras cuestións alén dos dereitos nacionais dos pobos, en concreto, aspectos que teñen a ver coa regresión dos dereitos e as liberdades civís que se experimenta no Estado español. E falou da lei mordaza, das reformas laborais e da última norma gobernamental para controlar páxinas web. |
NOS_11236 | Con motivo do Día Mundial dos Bosques, Cousa de Raíces convida a eliminar eucaliptos e outras especies invasoras dos montes galegos. Xa hai varias accións fixadas para esas xornadas, da Coruña a Mondariz. | A rede a prol do bosque galego, Cousa de Raíces, conformada por máis de 60 entidades, convida a centros educativos, colectivos, asociacións, plataformas e particulares a promover iniciativas de eliminación de eucaliptos e doutras plantas invasoras dos montes galegos durante a vindeira semana, con motivo do Día Internacional dos Bosques. O lema escollido este ano polas Nacións Unidas para celebrar o Día Mundial Forestal é "Aprende a amar o bosque". Cousa de Raíces considera que para iso o primeiro "será distinguir o que é un bosque do que non o é". Mentres que un "bosque" é, explican, un ecosistema natural complexo, dominado por especies arbóreas e a súa vexetación acompañante, no que habitan animais, fungos e microorganismos entre os que se establecen interrelacións perdurables no tempo; unha "plantación forestal" é un conxunto de árbores normalmente uniformes que se plantan unicamente polo seu interese comercial, e que adoita estar formado por especies alóctonas. Todas aquelas persoas ou entidades que queiran promover a súa actividade de eliminación de eucaliptos ou doutras plantas invasoras a través da proposta de "Deseucaliptización Simultánea" de Cousa de Raíces, poderán facelo, enviando ao email de Cousa de Raíces ([email protected]), antes do 18 de marzo. Xa hai varias accións fixadas: Monte da Fraga (A Coruña), Rebordelo (Cerdedo-Cotobade), Froxán (Lousame), Gradín (Ponte Caldelas), Montes de Riba, Cousa Vella (Agolada), Río Tea (Mondariz), Tourón (Melón). |
PRAZA_12174 | Ángel Barajas, responsable do Máster en Xestión Empresarial do Deporte que organiza a Universidade de Vigo, é un dos nove expertos que asesoran a UEFA sobre o "xogo limpo financeiro", as consecuencias da crise económica na economía dos clubes ou sobre a existencia dunha burbulla, polo papel dos investidores multimillonarios. O BNG presentou unha pregunta no Congreso hai uns días para coñecer a canto ascende a débeda dos clubes. | Hai uns días Francisco Jorquera presentou unha pregunta no Congreso para coñecer a canto ascende a débeda dos clubes de fútbol con Facenda e a Seguridade Social. Non é a primeira vez que o fai. Xa na lexislatura anterior solicitáralle ao goberno que lles esixise aos clubes que saldesen esas débedas, que en 2011 eran de 632 millóns de euros con Facenda e 3.082 millóns coa Seguridade Social, tendo en conta unicamente os clubes de primeira e segunda división. Case catro mil millóns en total, o equivalente a algúns dos plans de axuste postos en marcha polos gobernos do Estado. Ángel Barajas, responsable do Máster en Xestión Empresarial do Deporte que organiza a Universidade de Vigo, é un dos nove expertos que asesoran a UEFA sobre o "xogo limpo financeiro". Neste labor de asesoramento participan outros investigadores universitarios, como Wladimir Andreff, da Universidade da Sorbona; Stephen Morrow, da Universidade de Stirling (Escocia); Jo Swinner, da Universidade de Lovaina; Konstantine Sonin, da Universidade de Moscova; Petros Mavroidis, da Universidade de Florencia; Stefan Szymanski, da Universidade de Michigan; Egon Franck, da Universidade de Zúric, e o consultor en comunicación Mark Oliver, que foron recibidos en Xenebra por Andrea Traveso, director da UEFA. O Estado destinou en dúas ocasións grandes cantidades de diñeiro público ao saneamento dos clubs de fútbol Algúns dos temas que se debateron foron os das consecuencias da crise económica na economía dos clubs, ao diminuír o financiamento das administracións ou se existe ou non "unha burbulla" no sector, polo papel dos investidores multimillonarios nos equipos. "Do que se trata é de que os clubs se xestionen ben para garantir a súa supervivencia e a das competicións nas que participan. Se un equipo ten que deixar a liga por temas económicos no só sae prexudicado el senón tamén a competición", apunta Barajas. O Estado ao rescate O Estado destinou en dúas ocasións grandes cantidades de diñeiro público ao saneamento dos clubs de fútbol. E vista a evolución das súas débedas, non parece lonxe o día en que pidan un terceiro rescate. Os dous refinanciamentos anteriores foron facilitadas por gobernos do PSOE. En 1986 perdoouse unha débeda de 20.727 millóns de pesetas dos clubs de Primeira, Segunda e Segunda B. Alí impúxose a conversión dos clubs en sociedades anónimas deportivas. E só seis anos despois os clubs volveron recibir a axuda do Estado, cunha débeda que superaba xa á anterior (31.000 millóns de pesetas). Hai moitos clubes cuxa débeda duplica, triplica ou mesmo multiplica por catro os seus orzamentos Hoxe, vista a situación, con débedas que segundo as fontes se sitúan entre os catro mil e os seis mil millóns de euros, pódese esperar unha solución semellante. Hai moitos clubes cuxa débeda duplica, triplica ou mesmo multiplica por catro os seus orzamentos, coma o Español (débeda: 151 millóns, 300% do orzamento), Valencia (500 millóns, 300%), Atlético de Madrid (300 millóns, 300%) Racing de Santander (129 millóns, 300%), Zaragoza (110 millóns, 400%), Deportivo da Coruña (107 millóns, 200%), Levante (61 millóns, 300%), Tenerife (32 millóns, 350%) Valladolid (30 millóns, 180%), Betis (55 millóns 200%), Real Sociedad (47 millóns, 130%) ou Mallorca (40 millóns, 120%). No caso de Real Madrid (543 millóns) ou Barcelona (489), as débedas son mesmo maiores e equivalen, máis ou menos, aos seus respectivos orzamentos. Web persoal de Ángel Barajas. |
PRAZA_8681 | A coalición celebra este sábado en Compostela a Asemblea Nacional máis importante da súa historia. Co obxectivo claro de camiñar cara a unha "fronte popular" contra a dereita, os debates porán o énfase na organización e na estratexia. Tamén se fará unha aposta por AGE e polo dereito de autodeterminación. | Se houbese que resumir nunha soa idea a Asemblea Nacional que Esquerda Unida celebrará este sábado en Compostela, esta ben podería ser que a formación ten claro o que hai que facer: aglutinar "a maioría social agredida", ofrecer unha saída alternativa para a crise, traballar de xeito cooperativo con outras forzas políticas e movementos sociais... pero ten que debater como facelo, con que estratexias e con que estrutura organizativa. "Como organizar a rebelión", botando man dun dos lemas desta Asemblea, a novena na súa historia e a bo seguro a máis importante, tanto pola situación de emerxencia social, coma polo crecemento experimentado por EU nos últimos anos en Galicia. Do Que facer? ao Como facelo? A Asemblea comezará ás dez da mañá e desenvolverarse ao longo de todo o día na Facultade de Matemáticas da USC. Debateranse e aprobaranse varios documentos (político, organizativo, económico, carta financeira e Estatutos) que levan sendo discutidos varias semanas nas asembleas locais e comarcais da formación, que achegaron máis de 400 emendas. Tamén se elixirá un novo Consello Político Nacional, máximo órgano entre asembleas, e o coordinador ou coordinadora nacional de EU, que continuará sendo Yolanda Díaz. Non será este o núcleo dun encontro no que tanto os sectores máis achegados ao PCG coma outros doutras formacións ou independentes comparten o groso da proposta ideolóxica e estratéxica. A Asemblea aprobará algunhas fórmulas novas para un mellor contacto cos sectores e activistas próximos, coma a figura do simpatizante. E tamén será interesante a aprobación dunha proposta sobre a cuestión nacional, que reafirmará a aposta de Esquerda Unida "polo dereito de autodeterminación dos pobos para construírmos de xeito partillado unha República Federal Plurinacional e Solidaria". De igual xeito a Asemblea pecharase cunha moción que salientará a aposta polo fortalecemento de AGE. De feito, Anova, Espazo Ecosocialista e Equo ocuparán un lugar preferente entre os colectivos convidados á AN, entre os que se atopan os sindicatos de clase galegos, organizacións ecoloxistas, entidades sociais e culturais e varias delegacións internacionais, encabezadas por Cuba, Venezuela e o Sahara. A Asemblea pecharase cunha moción que salientará a aposta polo fortalecemento de AGE Ademais das propostas económicas que se debaterán na asemblea, destaca tamén o amplo relatorio dedicado á radicalidade democrática, a "outra forma de facer política (horizontal e ética) e nunha axioloxía de valores alternativa". EU quere facer explicita nesta asemblea a aposta pola creación dunha "fronte popular" en Galicia, dun novo "suxeito político" que amplíe a colaboración que supuxo a creación da Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e que supoña "a expresión da pluralidade que conforma a maioría social traballadora deste país". E para iso afirma que "ten que xerar unha sorte de revolución interna na súa praxe para poñela á altura desta estratexia". Organización, organización, organización Segundo Yolanda Díaz, o obxectivo é "chegar a todos os sectores sociais que están sendo agredidos" Os dirixentes da coalición de esquerdas son conscientes do bo momento que atravesa EU. A situación de emerxencia social as dificultades que veñen atravesando nos últimos anos PSdeG e BNG e o crecemento que tamén experimenta a formación no conxunto do Estado fan que a súa mensaxe teña máis facilidades para chegar aos seus receptores potenciais. Yolanda Díaz explica que "ao igual que sucedeu do debate a nivel federal a estrela do debate é como organizarnos de aquí en diante e como materializar o que poñemos nos textos: levar á práctica a nosa tese de que hai que organizar a rebeldía, pois existe un forte conflito social presente ou latente en todas as capas da sociedade. A convicción é que temos que afinar na materia organizativa porque somos conscientes de que aí temos eivas". Segundo Yolanda Díaz, o obxectivo é "chegar a todos os sectores sociais que están sendo agredidos". Da AN debe saír "unha Esquerda Unida útil para a maioría social, convencida da suma e da converxencia, para axudar a construír ese bloque social que lle dispute a hexemonía ao liberalismo no noso país" Díaz chama a atención neste senso sobre a necesidade de "repolitizar o conflicto social que agora está latente" e, citando a Zizek, chama a "uniformizar os conflitos sociais que na actualidade se expresan de forma individual. A estratexia do neoliberalismo é dividir os conflitos". A conexión con ese descontento social e a súa organización será o principal obxectivo da Asemblea Nacional de EU. "Debemos dirixir o noso discurso a lugares onde até o que agora Esquerda Unida non foi capaz de entrar", afirma. A coordinadora nacional da formación salienta tres aspectos que deben marcar esa Asemblea: "A nova dirección de Esquerda Unida estará moi renovada e debe ser politicamente forte e estar a pé de rúa", "a tese politica que sexa debatida con todos os sectores sociais do pais" e "as áreas de traballo abertas a persoas de fóra da organización, que deben ser un pulmón propositivo que permita a conexión con todo o que está pasando nas rúas". Quérese facer crecer a organizacion en número de militantes e tamén no que respecta aos colectivos e persoas próximas a través da nova figura de "simpatizante" Esta "asemblea histórica para un momento histórico", en palabras de Carlos Portomeñe, non debe estar "só centrada en Esquerda Unida" e dela debe saír "unha Esquerda Unida útil para a maioría social, convencida da suma e da converxencia, para axudar a construír ese bloque social que lle dispute a hexemonía ao liberalismo no noso país". Neste proceso, quérese facer crecer a organizacion en número de militantes e tamén no que respecta aos colectivos e persoas próximas a través da nova figura de "simpatizante". EU tentará aumentar a súa presenza fóra das cidades e comarcas nas que na actualidade está implantada e dirixirá a súa atención cara ás vilas medias e cabeceiras comarcais, e en xeral cara as provincias de Lugo e Ourense, nas que ten menos presenza. Neste obxectivo enmárcanse os actos políticos que tiveron lugar nas pasadas semanas no Barco de Valdeorras ou Vilalba. O outro gran obxectivo é incrementar a presenza e participación das mulleres. Neste senso, César Santiso, voceiro de Esquerda Unida na Coruña, salienta a "necesidade de crecer" como organización para "dar resposta ás necesidades da cidadanía" e "constituír unha alternativa crible" e que poida levar a cabo dende as institucións "unha política distinta e transformadora". De igual xeito Rubén Pérez, voceiro en Vigo, destaca que EU debe prepararse para ser "unha forza de goberno". Aposta por afortalar AGE "Soubemos ler que por separado non temos a forza e o coñecemento suficientes para derrotar o leviatán capitalista. Namentras que xuntos podemos erguer unha alternativa de poder" "EU ten demostrado nestes anos que é unha forza con plena autonomía nas decisións políticas concernentes a Galicia, a propia concreción de AGE é un exemplo palpable", insiste Esquerda Unida, que ve precisamente nesa coalición electoral xunto a Anova, Equo e os ecosocialistas "unha obra aberta e en construción" que "evidenciou as feridas do bipartidismo", un bipartidismo que insiste en censurar para volver insistir na necesidade de sumar máis forzas de esquerdas -excluíndo o PSOE- ao proxecto, en clara alusión ao BNG. "AGE é unha obra aberta, en construción, a esperanza da xente traballadora deste país para pór en valor un traballo partillado a prol da maioría social traballadora", engade EU "Soubemos ler que por separado non temos a forza e o coñecemento suficientes para derrotar o leviatán capitalista. Namentras que xuntos podemos erguer unha alternativa de poder para que o traverso da singladura aventurada dun novo proceso constituínte acade o apoio e participación de crecentes segmentos da clase traballadora", insiste EU, que cre que AGE "semella poder ser o xermolo dese suxeito antagonista, plural e transformador". "AGE é unha obra aberta, en construción, a esperanza da xente traballadora deste país para pór en valor un traballo partillado a prol da maioría social traballadora", engade EU, que cre que este reto unitario que propón "demanda renunciar ao sectarismo e á tentación patrimonializadora para darlle máis forza á radicalidade política e cultural" da que din ser "entre outros portadores". César Santiso salientou a este respecto que as forzas que compoñen AGE "demostramos ser capaces de aparcar as nosas pequenas diferenzas para ser quen de sumar e de conseguir con esa suma un efecto multiplicador ante a cidadanía e crear esperanza. Buscamos ese mínimo común múltiplo que nos une para defender a clase social que está sendo agredida". Para Santiso, a cidadanía está a mandar "claramente" a mensaxe de que é preciso conformar "unha fronte ampla na que se poidan ver reflectidos e que sirva de espazo de debate e de diálogo. A cidadanía quere outro tipo de politica na que as persoas sexan suxeitos activos". De igual xeito, Rubén Pérez salienta que nos debates que se deron a nivel local e comarcal non se xerou apenas debate ou contestación sobre a aposta de EU polo fortalecemento de AGE, que xerou un consenso xeral. "EU é EU e Anova é Anova e canto máis fortes sexan cada unha das partes máis forte será o conxunto, pero hai que dar un paso máis. Os nosos votantes estannos pedindo máis" Na rolda de prensa que o xoves serviu para presentar esta asemblea Díaz e Portomeñe reafirmáronse nesta aposta por AGE: "non facelo sería cometer unha fraude contra máis de 200 mil votantes". E a coordinadora xeral de EU foi especialmente clara neste senso: "EU é EU e Anova é Anova e canto máis fortes sexan cada unha das partes máis forte será o conxunto, pero hai que dar un paso máis. Os nosos votantes estannos pedindo máis, non sería normal que nesta situación o traballo conxunto se limitase ao Parlamento galego. Non nos asustan os debates e as misturas. Uns e outros vimos dunha cultura no que o fundamental é a tese política". Neste senso, Yolanda Díaz concordou coa crítíca e autocrítica expresada hai uns días por Xosé Manuel Beiras, cando considerou que Anova e EU non estaban "alimentando" suficientemente a AGE. A líder de Esquerda Unida destaca que o proceso se está dando de forma moi acelerada e "todos estamos traballando en moitos espazos distintos", o que incrementa as dificultades. Para Díaz este proceso de construción debe ser realizado "dende a base". |
NOS_55458 | Partido chave para os intereses dos da capital. | O concepto de final anticipada é un deses dos que se adoita abusar no xornalismo deportivo, pero se algo encaixa no concepto de "final anticipada" e o Casademont Zaragoza-Monbus Obradoiro que se disputará esta cuarta feira ás 21.30 horas en territorio maño. O rival dos composteláns ocupa a penúltima posición con oito triunfos, tan só un menos que un Obra que se sitúa na quinta posición pola cola, o que dá unha idea da transcendencia do duelo galego-aragonés. Moncho Fernández, adestrador do Monbus Obradoiro, mostrouse preocupado polo enfrontamento cun Zaragoza "que pelexa cada partido aínda que non teña opcións de vitoria". "É un equipo que ten moitísimo potencial, con xogadores cunha experiencia e calidade tremenda, e iso é o que fai aos equipos", engadiu. O técnico destacou que os seus homes "tentarán explotar as súas virtudes", e que para gañar deberán facer "unha boa lectura da súa defensa e ser moi bos no rebote e en todos os aspectos básicos do xogo, como a transición defensiva ou o 1x1". Neste segundo partido consecutivo como visitantes para os obradoiristas, Moncho Fernández revelou que chegan "coa mesma idea" coa que veñen traballando "en todos os partidos fóra da casa", pois "aínda que é certo que moitos deles se definiron a cara ou cruz, e até o de agora saíu cruz en Tenerife, Gran Canaria, Lugo ou Fuenlabrada, perdendo por unha canastra na última xogada", desexa que o bloque se enfoque "en todo aquilo que foi quen de facer ben, como a demostración de capacidade competitiva que exhibimos, chegando a reengancharnos a partidos nos que estabamos 20 puntos abaixo". O ala pivote Álex Suárez comparte a lectura do seu adestrador, e se ben recoñece que o Zaragoza-Obradoiro é "unha final", pensa que se demostran de novo o nivel "da segunda metade ante Fuenlabrada", poderán "competirlle a calquera rival". Ensino visita Araski Durán Maquinaria Ensino afronta o penúltimo choque da tempada no Polideportivo Mendizorrotza de Vitoria-Gasteiz ás 20 horas de hoxe. Alí agarda Kutxabank Araski, un equipo empatado a 11 triunfos co galego na zona morna da clasificación, sen máis obxectivo que despedir do modo máis digno posíbel a Liga Endesa feminina. |
NOS_57216 | Non será a xuíza de Neumünster quen decida sobre a entrega a España de Puigdemont, senón o tribunal superior de Schlewig-Holstein, o land en que se acha o president. | Puigdemont foi interrogado pola xuíza de Neumünster esta segunda feira. As súas competencias no asunto limítanse á identificación da persoa detida e a sinalar en primeira instancia se considera -ou non- que existen motivos para dubidar da pertinencia da extradición. Mais a decisión definitiva correspóndelle ao tribunal superior do land. A xuíza escoitou os argumentos de Puigdemont por espazo de tres horas e media e, no auto ditado a seguir o interrogatorio, desliza unha frase que permite ao líder soberanista abrigar esperanzas. "Non cabe dúbida de que a orde detención europea inclúe indicios de que a extradición da persoa perseguida, despois da avaliación completa das cuestións xudiciais, podería ser denegada", reza o escrito. Contodo, a xuíza ditou a reclusión de Puigdemont na prisión de Neumünster mentres non se tomar unha decisión sobre a extradición -o proceso podería demorar até 90 días- ao existir "risco de fuga". A información sobre o auto ditado pola xuíz apareceu esta segunda feira no sitio web do semanario Der Spiegel, cabeceira que, por meio dun editorial, demandou ás autoridades alemás que deneguen a entrega de Puigdemont a España. O editorial de Der Spiegel asínao un dos seus xornalistas máis reputados, Jakob Augstein, quen critica acedamente as autoridades alemás polo arresto do político de Girona: "A detención de Puigdemont é unha vergoña. Para España. Para Europa. Para Alemaña". Tamén nas columnas do liberal Süddeutsche Zeitung -o segundo diario de maior tiraxe de Alemaña, só superado polo popular Bild- apareceu esta segunda feira un artigo contrario ás pretensións da Moncloa: "Os españois reclaman a extradición de Puigdemon. Alemaña tena que rexeitar. Un político que utiliza meios pacíficos para loitar polos seus obxectivos non debería ir á prisión". |
NOS_58506 | Carmela Galego é historiadora da arte e mestra de Educación Física. A súa traxectoria profesional está enfocada á comunicación e á docencia en contextos lúdicos e culturais. A nivel divulgativo colabora con revistas e con distintas fundacións e administracións, coas que ten elaborado obradoiros e comisariado exposicións sobre memoria local. Nesta primeira conversa falamos con ela sobre as igrexas de Santa María do Azougue e San Martiño de Moldes que se publican o 12 e o 13 de xaneiro. | No seu traballo afirma que a denominación de Santa María do Azougue alude ao mercado que se celebraría no adro da igrexa. Que a leva a manter esa hipótese? A orografía do castro de Untía é moi suxestiva, todos eses túneis subterráneos con punto común na nosa igrexa téñennos intrigadas e pode que aínda nos garden algunha sorpresa arqueolóxica. Nun artigo de Vales Villamarín escrito en 1944 xa se nos fala destes aspectos e cítanos a un Cornide que aposta pola significación que ten a ver co mercado. Malia que unha acepción non exclúe a outra, sabemos que as Santa María do Azougue que se atopan no noroeste peninsular teñen unha relación directa coas feiras que se celebraban nas distintas vilas. No caso de Betanzos temos documentación abonda que dá conta da importancia das súas feiras. Desde cando houbo ese mercado? O privilexio da feira mensual é ratificado por Pedro I en 1366; en 1467 Enrique IV outorga unha feira franca anual de trinta días consecutivos de duración e que se estableceu durante o mes de novembro. Hai mesmo quen fala dos betanceiros como "os xenoveses da Galiza". No caso concreto do Azougue temos un documento de 1511 que dá conta dun litixio comezado cando en 1493 as ordenanzas municipais aproban trasladar o mercado de Santa María a Santiago. O conflito remata con sinatura "por consello da raíña" de que o mercado se leve a cabo nos dous emprazamentos e así continúa até finais do século XX. Nesta igrexa xa do século XV o Agnus Dei é substituído polo porco E cando deixou de o haber? A feira non é que se deixe de celebrar, senón que se concentra no campo extra muros. O BNG de Betanzos presentou para as últimas municipais unha proposta para volver levar a feira mensual ao casco histórico. Non parece unha mala iniciativa. Para alén da denominación, e xa entrando nos elementos arquitectónicos, que ten de particular a iconografía desta igrexa? Santa María do Azougue é unha igrexa rica no estético e no narrativo con aspectos que fan que manteña a súa vocación de templo lexible para o pobo. Os seus relevos falan de cousas que nos seguen resultando sinxelas de interpretar. A pesada de almas con ese demo que tira do pé dun condenado no tímpano norte, velo, recoñécelo, chama a túa atención. E a Epifanía da fachada principal tampouco pasa desapercibida; acabamos de celebrar a visita dos Magos, non renunciamos a ese episodio neotestamentario. Hai un programa iconográfico teocrático, claro, pero tamén empeza aquí a verse esa viraxe humanista e a presenza de temas cotiás xa non son periféricos, senón que teñen un lugar central, como o capitel do lado sur do presbiterio no que se recolle ese magnífico calendario agrícola. Vostede no seu traballo sitúa o poder civil, da man dos Andrade, no primeiro nivel de desenvolvemento iconográfico. Tan importante é? A intención da mensaxe iconográfica dos Andrade é tan eficaz que aínda prevalece hoxe en día. Non foi a máis importante casa nobre na Galiza da Idade Media, tampouco foron os únicos promotores laicos dun edificio relixioso, mais o seu nome transcendeu. Sete séculos despois calquera que visite Betanzos e vexa ese animal totémico para a nosa cultura vai descubrir de contado a súa relación cun apelido concreto. Cando chegas alí impacta ver aquel tímpano tan curioso e pensas precisamente que é un tesouro para as persoas da aldea, pero tamén é valioso para quen o visita que permaneza no seu lugar Tanto prevalece o porco sobre a cruz? As cruces antefixas foron un símbolo preeminente no románico galego, e nesta igrexa xa do século XV o Agnus Dei é substituído polo porco. É o que lle da sustento á fe; os Andrade como a base, a forza e a defensa da igrexa. É unha imaxe moi potente, penso que os publicistas dos nosos días estarían de acordo. Un día despois de Santa María do Azougue sae publicado San Martiño de Moldes. Falamos xa de románico rural, algo máis lonxe do poder civil mais cun tímpano emblemático que se repite até en sete ocasións das que polo menos tres poden ser do mesmo autor. A que se pode deber esa proliferación da imaxe de Sansón e o León? Os modelos son moi útiles e recorrentes na arte, usámolos en todas as etapas históricas, máis nun momento como o románico no que interesa que as imaxes sexan moi elocuentes. Mais acontece que ás veces perdemos a capacidade de descodificar a mensaxe riscada na pedra. Aconteceu con estes sete tímpanos, que non nos resultan sinxelos de interpretar. Como desenvolveremos no artigo, precisamente as características e as necesidades dunha igrexa rural poden ser as responsábeis de que prolifere esa iconografía de Sansón e o León. Unha das pezas desta serie, a de Palmou, pode servir para ilustar o capítulo máis triste do espolio do noso patrimonio. Debido á perda de poboación rural, e mesmo de usos das igrexas, boa parte dese patrimonio está en abandono ou desuso e suxeito a deterioro. Considera viable, ou mellor, posible, a conservación in situ ou cre que será inevitable a musealización? · O episodio de Palmou é escuro, non só polo triste, senón pola opacidade que adoita acompañar estes espolios. As persoas responsables de que saíse das nosas fronteiras sabían da súa valía e aconteceu nun momento no que o rural seguía vivo, de feito ás veces é precisamente por iso polo que se perden as pezas, polos defectos na execución de renovacións habituais nun edificio que é utilizado. Cando nós fomos tirar as fotografías a Moldes tivemos a sensación de estar nunha igrexa que segue a estar coidada polos seus responsables. Preocupounos máis o abandono da escola, que polo demográfico e o estrutural acabará por deteriorar o edificio. Tamén hai que revisar unha filtración na portela que comunica o coro alto co campanario. Pero cando chegas alí impacta ver aquel tímpano tan curioso e pensas precisamente que é un tesouro para as persoas da aldea, pero tamén é valioso para quen o visita que permaneza no seu lugar. As últimas directrices da conservación do patrimonio avogan por evitar a deslocalización dos bens, eu penso que son un acerto. Os museos fan un grande labor de conservación e interpretación e ás veces non queda máis remedio que o traslado, pero o telurismo é un valor que cómpre salvagardar. A musealización in situ, adiantarse a un deterioro irreversible poñendo medios de conservación e levar a cabo labores de interpretación e información son actuacións necesarias ás que nós só queremos achegar un pequeno grao. |
NOS_56308 | Quen fora un dos fundadores e líder de Ciudadanos máis significados, Xavier Pericay, anunciou a súa demisión de todos os seus cargos no partido, incluído o seu posto no comité executivo estatal e da portavocía en Balears. A onda de abandonos nos organismos de dirección non cesa e acurrala cada vez máis a Albert Rivera. | Demite de todos os seus cargos en Ciudadanos o escritor e xornalista Xavier Pericay. Foi un dos máis significados fundadores do partido laranxa e até este sábado 6 de xullo estaba á fronte da área de educación na executiva estatal de C's, sendo o único membro fundador que quedaba neste órgano cun cargo. Pericay deixa tamén a portavocía do partido en Balears. O cofundador de C's efectuou este sábado a súa demisión pese a que xa a comunicara a mediados da semana pasada a Albert Rivera. Faino ademais após perder en marzo as primarias do partido en Balears ante Marc Pérez Ribas, quen se impuxo por 19 puntos para liderar o partido nas eleccións ao Parlament. O cofundador de C's efectuou este sábado a súa demisión pese a que xa a comunicara a mediados da semana pasada a Albert Rivera Con todo, Pericay non aclarou se foi este ou outro o motivo da súa marcha. Rexeitou que as súas razóns fosen as mesmas que as esgrimidas por outras baixas como a do ex portavoz adxunto no Congreso Toni Roldán, quen marchou do partido debido á negativa de Rivera de facilitar a investidura a Pedro Sánchez para evitar que o PSOE teña que chegar a acordos cos nacionalismos. Pese a que Pericay nega que os seus motivos teñan que ver cos de Roldán, a marcha deste "si influiu" na súa toma de decisións, segundo asegura o propio Pericay nunha carta que fixo pública este sábado para anunciar a súa demisión. O escritor e filólogo balear asegurou que "este era un bo momento para tomar a decisión. Estou contento co que fixemos na educación, fixemos un labor que foi recoñecido estes anos. Agora volvo aos meus negocios que é escribir", subliñou Pericay, quen mostrou unha "satisfacción persoal" co traballo realizado. Sobre o futuro da formación de Rivera asegurou que "unha tarefa como a de formar parte do Comité Executivo dun partido que aspira a gobernar España nun futuro non moi afastado, require unha motivación e unha ilusión moi superiores ás que eu poida ter hoxe en día", explicou. O pasado 24 de xuño presentou a súa baixa Toni Roldán e o eurodeputado Javier Nart, polos mesmos motivos ca Roldán, demitiu do seu posto na executiva de C´s e o líder do partido en Castela e León, reticente a pactar co PP, Francisco Igea, tamén está na mesma liña. Na Galiza producíronse após as eleccións municipais do 26 de maio en Pontevedra as baixas de seis membros que concorreran na candidatura municipal de C's en Pontevedra, incluínda a súa anterior portavoz municipal, María Rey. En Ourense esta semana destituíuse a executiva provincial por "discrepancias". Varias das persoas que conformaban este organismo están recorrendo a decisión e solicitan a expulsión de Laureano Bermejo, actual secretario de organización na Galiza, por actitudes ditatoriais. Tamén esta semana quen era a portavoz de Ciudadanos na Galzia, Olga Louzao, abandonou o posto para dedicarse en exclusiva ao seu cargo de edila en Lugo. A pesar de que afirmou a Sermos Galiza que a súa demisión non foi por motivos políticos, o certo é que se produciu nunha semana en que as renuncias se multiplican. A última foi onte mesmo, sexta feira 5 de xullo. Ángeles Fernández-Ramil, unha das fichaxes estrela do partido na Galiza, anunciou a súa demisión como secretaria de programas de Ciudadanos. |
NOS_13931 | De seguir, publicamos a intervención de Xavier Queipo, colaborador de Sermos Galiza, na recollida do premio Blanco Amor de Novela pola súa obra Os Kowa. | Hoxe estou contento, ledo, expansivo, inzado de novos proxectos e disposto a dar o mellor de min. É natural pois fun unxido co bálsamo do recoñecemento que amolece as quebras da saúde e do ánimo, co elixir do éxito, coa forza que dá saberse recoñecido e agasallado por un Premio como é o Blanco Amor. Vai pois o meu agradecemento sincero a Deputación de Ourense que rescatou in extremis a celebración deste galardón, tan importante para as Letras Galegas. Agradecemento asemade para os membros do xurado, por ter achado a miña novela merecedora de distinción e agradecemento, como non podía ser doutro xeito, para aqueles que me estiman e se senten igualmente agasallados. Uns regresaron e outros non, que así son os vaivéns da vida cando un se acolle a tan insegura randeeira como é a emigración Hai uns días botei a vista atrás para analizar a herdanza recibida daquelas xeracións que me precederan. Na familia houbo sempre unha tendencia migratoria importante, que se foi consolidando co tempo. Algúns fixeron unha migración dentro dos límites da Península, e chegados da Rioxa e do Ribeiro remataron por se coñecer en Compostela e fundar unha póla da miña familia directa, a menos viaxeira e máis negociante. Os outros, máis arriscados ou se cadra máis desesperados, logo de longas travesías fixaron a súa residencia en varios países de América: Chile, Arxentina, Brasil, Venezuela, Colombia, Cuba e México, para rematar os máis deles vivindo na Florida e mais en Nova York, eses desaugadoiros de latinos que queren ser iankees de primeira. Uns regresaron e outros non, que así son os vaivéns da vida cando un se acolle a tan insegura randeeira como é a emigración. Teño pois a herdanza migratoria, que non sei se irá nos xenes ou será puramente comportamental, de imitación do que outros fixeron antes. Levo case 26 anos en Bruxelas e a ninguén da familia lle asusta, pois sempre foi así, xentiña que emigraba e retornaba ou non. Os membros comerciantes da familia abriran colmado de produtos ultramarinos en Compostela e por dúas xeracións traficaron, case sempre legalmente, con cacao traído da Guine e café do Brasil, uvas pasas de Corinto e turróns de Alacante, pasta de guaiaba importada de Cuba e té de mate para os retornados da Arxentina. Eses falaban galego e castelán con axilidade de felinos, pois o que eles querían era satisfacer aos clientes, que sempre teñen a razón e porén non compre mudarlle o rexistro lingüístico. Foron eles os que acolleron na casa a Daniel R. Castelao ou os que coñecían de primeira man a D. Ramón Otero Pedraio, os que atesouraban libros de Rosalía ou de Cunqueiro, de Cabanillas ou de Murguía. Deles herdei o bilingüismo harmónico, no que algúns acreditan e outros non. Eu non xulgo, mais a herdanza está aí. Todos eles, dunha banda e mais doutra aprendéronme a ser galego, a lembrar as orixes, a saber de onde é que viña e de quen viña sendo Todos eles, os viaxeiros emigrantes e os comerciantes chegados do interior falaban galego sen complexos cando a ocasión así o precisaba. Todos eles, dunha banda e mais doutra aprendéronme a ser galego, a lembrar as orixes, a saber de onde é que viña e de quen viña sendo. Sen sabelo, déronme como herdanza dúas ferramentas que moito me ían servir na vida: raíces e ás. Raíces (ou raizames se o prefiren), para entender o próximo e ter un lugar no mundo como referente e ás, para saír polo mundo adiante a gañar o sustento dos meus, mais tendo sempre un ollo posto en Galiza, que é onde as raíces están. É coma se fose unha planta rubideira ou reptante, tipo hedra ou buganvílea, que sen deixar o contacto coa terra voan por riba das árbores máis outas ou dos valados que contornan a casa. Raíces e ás, para sentirse galego e cidadán de onde se habita, para amar aos dous países, Galiza e Bélxica, non esquecendo nin de onde é que vimos, nin quen é o que en definitiva nos dá de comer Raíces e ás, para sentirse galego e cidadán de onde se habita, para amar aos dous países, Galiza e Bélxica, non esquecendo nin de onde é que vimos, nin quen é o que en definitiva nos dá de comer. Outros terán e amarán sen dúbida a sorte que lles tocou de seres sedentarios, e non serei eu quen os envexe ou os deixe de envexar, mais eu recibín como herdanza esas dúas armas, raíces e ás, e non me podo queixar. Recibín tamén, e isto é algo que me foi transmitido como un tesouro, a capacidade de comezar cada día cantando, co son da música que todo envurulla facendo esquecer as desgrazas. Gardo como un agasallo especial a aperta de Manuel María, que nun día de celebración da Festa da Patria Galega, apertoume coas minguadas forzas que non lle sobraban e díxome, "sigue así, rapaz", e así é que eu sigo, escribindo e pondo nese labor o empeño de quen me precedeu na estirpe de loitadores por unha Galiza liberada. Vou rematar, pois xa estarán cansos de discurso tan demorado. Hoxe estou contento, ledo, expansivo, inzado xa de novos proxectos e disposto a dar o mellor de min. Hoxe estou agradecido e aínda que mañá teño que deixar de novo o país para me reintegrar o meu traballo, levarei nas ás este pulo e este alento que hoxe vexo aquí reflectido nos seus ollos. Que sexan felices. |
NOS_37387 | Foi outro 24 de Xuño. De 1891. A primeira declaración de oficialidade do galego. Con este texto inauguramos unha subsección da Comunidade Sermos en que dialogamos coa historia deste país. | Os primeiros xogos florais que se celebraron na Galiza foron os de 1861 na Coruña aos que seguiron outros en diferentes localidades. O denominador común destes certames era a difusión da poesía galega, aínda que se admitían tamén traballos de investigación en castelán, e ás veces tamén de creación. Mais no ano 1891, o mesmo ano en que os restos de Rosalía foron trasladados desde o cemiterio de Adina a Bonaval, organízanse uns xogos florais nos que se sinala como oficial a lingua galega: "Soio se poderá falar en galego". "¡O noso idioma!, o que falaron nosos pais e vamos esquecendo, o que falan os aldeáns e nós achamos a punto de non entendelo". A organización destes xogos, concibidos inicialmente como de periodicidade anual, obxectivo nunca conseguido, correu a cargo da Xunta Rexionalista de Tui. O día 24 de xuño, ás cinco da tarde, comezou o acto, aberto polo alcalde de Tui, señor Areses. Logo interveñen Don Manuel Lago González, presbítero e profesor do seminario daquela e máis tarde arcebispo de Compostela, que pronunciou o discurso de abertura. Leu a continuación Murguía o seu discurso. Nel exaltou, como tiña feito en moitas outras ocasións, o idioma galego, mais agora o diferente era que para iso usaba o galego: "¡O noso idioma!, o que falaron nosos pais e vamos esquecendo, o que falan os aldeáns e nós achamos a punto de non entendelo". O semanario Sermos Galiza publicará proximamente a íntegra deste discurso histórico de Manuel Murguía, unha persoalidade basilar no rexurdimento da nación galega. |
NOS_28543 | Un duplo fracaso do PP nas urnas do 26 de maio pode ser fatal para Pablo Casado após a perda histórica sufrida nas eleccións xerais. Pola contra, e pese a colleitar os peores resultados da historia do PP en Galiza, despunta outra vez o nome de Alberto Núñez Feixoo como novo relevo en Madrid. | Non faltaron eloxios para Alberto Núñez Feixoo por parte da candidata do PP ao Parlamento Europeo, Dolors Montserrat. "O faro de Galiza e de moitos" expresou a conservadora para referirse ao presidente da Xunta durante un acto de campaña en Vigo. Dolors Montserrat apoiou no congreso do PP de 2018 a Dolores de Cospedal, e após o acordo para apoiaren a Pablo Casado, resultou designada coma portavoz no Congreso. Férrea defensora das posicións de Casado, segue cualificando ao presidente da Xunta de gran xestor e un faro para ela e para moitos, pese aos vaivéns dun Feixoo que mesmo un día fai o ademán de cavilar sobre a rendabilidade electoral de ter participado da manifestación de Colón con Vox, para ao seguinte apostar por medio de Miguel Tellado por pactar con Vox para gobernar nos concellos de Galiza. A candidata Montserrat é férrea defensora das posicións de Casado Precisamente, a candidata Montserrat eloxiou as políticas de Feixoo situándoo como guieiro "de moitos" alimentando as incógnitas sobre a posibilidade de que Pablo Casado non dea soportado internamente un duplo fracaso electoral nos concellos e no Parlamento Europeo que, sumado ao batacazo das xerais, obrigue a súa dimisión e substitución por un Feixoo do que reiteradas veces se ten especulado sobre o seu desexo de empregar a Xunta como trampolín para facer carreira política en Madrid. Dolors Montserrat promete ser galega No seu escano no Parlamento Europeo Dolors Montserrat asegurou que será "unha galega máis" e prometeu que apoiará o sector pesqueiro de Galiza. "Haberá dous deputados galegos, Millán Mon (actual eurodeputado do PPdeG) e eu mesma", afirmou a ex ministra. "Haberá dous deputados galegos, Millán Mon (actual eurodeputado do PPdeG) e eu mesma", afirmou a ex ministra. No encontro sectorial sobre pesca celebrado esta terza feira no Liceo Marítimo de Bouzas, en Vigo, asegurou que "Galiza é o Vaticano do mar e Vigo a súa Capela Sixtina", símiles artísticos cos que a eurodeputada quixo chamar a atención sobre a relevancia do sector marítimo pesqueiro. Ademais autodefiniu o PP como o gardián da política pesqueira común e da pesca galega na UE, e prometeu que desde o seu escano no Parlamento Europeo traballará incansabelmente na defensa do sector. |
NOS_16036 | A Deputación da Coruña publica a tradución ao galego da obra de Francisco Tettamancy Gastón que recolle a crónica da rebelión galega contra o presidente Narváez. | A Deputación da Coruña anunciou esta terza feira, data do 176 aniversario do fusilamento dos coñecidos como Mártires de Carral, a presentación, nas vindeiras semanas, da tradución ao galego de "La revolución gallega 1846", cumio da produción bibliográfica de Francisco Tettamancy Gastón. O orixinal, publicado en 1908 pola libraría rexional de E. Carré, recolle un labor de investigación de décadas e supón a crónica máis exacta da rebelión galega contra o presidente Narváez, que rematou coa execución dos militares sublevados e co cárcere e exilio de máis de 2.000 galegas e galegos. A Deputación da Coruña lembra Tettamancy, autor de 'A revolución galega de 1846' A tradución contará cun prólogo de Xosé Ramón Ermida Meilán e permitirá achegarse á obra de referencia sobre o abril galego. Un texto cuxas pegadas están presentes na totalidade das investigacións posteriores e que conta cun amplo apéndice documental, as teses centrais do cal manteñen plena vixencia. Demanda de que o monumento sexa BIC A Deputación puxo en marcha en 2021 un programa de actividades arredor da figura de Tettamancy. "Desde o departamento provincial de Normalización Lingüística da Deputación", sinala a deputada María Muíño, "queremos salientar tamén o papel fundamental que xogou Tettamancy na inauguración na vila de Carral, en 1904, do monumento aos Mártires". O martirio útil da xeración de Carral Muíño lembra tamén a actual reivindicación para que o monumento, obra do arquitecto Juan Álvarez, sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC), a través dunha iniciativa rexistrada pola deputada do BNG, Mercedes Queixas, no Parlamento galego. Normalización Lingüística tamén lembrará este ano a Antolín Faraldo, un dos líderes do pronunciamento de 1846, de cuxo nacemento se conmemora o segundo centenario. |
PRAZA_11197 | 'A filla de Vercinxetórix' poderá lerse na súa edición de Xerais a partir do 24 de outubro, o mesmo día que se publica noutras vinte linguas en todo o planeta. Na historia, con guion de Jean-Yves Ferri e Didier Conrad na ilustración, unha misteriosa adolescente chega de noite á aldea dos famosos galos. | Dende que en 2013 Astérix e Obélix regresaron ás librarías con Astérix e os pictos cada dous anos temos unha nova entrega dos valorosos galos, con historias que xa non contan coa participación de ningún dos seus creadores, Albert Uderzo e René Goscinny. O 24 de outubro chegará ás librarías galegas Astérix: A filla de Vercinxetórix, publicado por Edicións Xerais e que se poderá ler á vez que a súa edición francesa, inglesa ou castelá, entre outras vinte linguas.Nesta nova entrega, unha misteriosa adolescente chega de noite á aldea escoltada por dous xefes arvernos. Xulio César e os seus lexionarios búscana, pois murmúrase que o pai desta enigmática visitante non é outro que... o gran Vercinxetórix, vencido dous anos antes en Alesia. O álbum é responsabilidade de Jean-Yves Ferri no guión e Didier Conrad na ilustración, como xa sucedeu nas últimas historias, publicadas nesta década.É a primeira vez que unha adolescente protagoniza un álbum de Astérix. Trátase dun personaxe forte e independente, de nome Adrenalina, como xa adiantaron os seus autores. Na súa aventura, ademais de por Astérix e Obélix, é acompañada doutros dous adolescentes, Selfix e Blinix.Como se pode ler na web oficial do lanzamento mundial, os álbums de Astérix foron traducidos a 110 linguas en todo o planeta, cun total de 38 títulos publicados, a maior parte deles dispoñibles na súa versión galega, con 26 álbums traducidos dende que en 1976 se publicaran os primeiros títulos en versión galega de Eduardo Blanco Amor. A versión en galego correrá a cargo de Xavier Senín e Isabel Soto e pódese adquirir por menos de dez euros. Tamén se publicará en castelán, catalán, euskera e asturiano |
NOS_46001 | A Asociación Provincial de Empresarios da Hostalaría da Coruña, liderada por Héctor Cañete, iniciou o procedemento de recurso por esta decisión. Ademais, o presidente da Confederación de Empresarios da Hostalaría da Galiza, Cheché Real, cualifica as limitacións de "desastrosas" para o sector. Estas medidas estabelécense despois de que o alto tribunal do país non autorizase que teña validez a solicitude do certificado Covid. | Após transcender a decisión do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) de non permitir que a presentación do certificado Covid en bares e restaurantes rebaixe as medidas restritivas, a Asociación de Hostalaría da Coruña recorreu o fallo. O presidente desta entidade, Héctor Cañete, afirmou que o paso dado desde A Coruña conta co apoio das demais federacións galegas, pois van xuntas na súa demanda de "nulidade de toda a orde" da Xunta. Cañete concretou que piden ao alto tribunal do país que a orde do Goberno galego, que reduce o número de persoas no interior e no exterior en relación ao existente co certificado Covid, sexa declarada nula. "Por ser extemporáneo", resume Cañete, para quen "unhas medidas tan restritivas non se corresponden ao momento da curva que hai" na Galiza. No caso de conseguir a súa demanda, o que quere o sector é abrir ao 100% as terrazas para aproveitar o final do verán. De feito, considera que non é "lóxico" que as tesoiras afecten á capacidade de atender clientela toda vez que hai novas pautas para o uso da máscara. No texto tamén falan de cuestións como o uso das barras dos locais. Ao respecto das últimas prohibicións Cañete entende que era mellor a solicitude do certificado. "O 89,2% dos asociados apoian esta medida" ao considerar que as novas restricións fan case imposíbel a actividade no sector. Mellor do que se pensaba O presidente da Confederación de Empresarios da Hostalaría da Galiza, Cheché Real, cualificou de "desastrosas" esas novas restricións. Real apuntou que "poden ser desastrosas pola época do ano en que nos atopamos". Tamén manifestou que cos certificados ou pasaportes Covid, que invalidou o TSXG, funcionábase "ben, como ningún imaxinabámonos ao principio cando falamos coa Xunta para que non se fechará pola subida continuada de contaxios, a mediados de xuño". |
NOS_13789 | Os reitorados das tres universidades galegas elaboraron unha proposta, xa remitida á Xunta, alternativa ao borrador da Consellaría que cambiaba o modelo de universidade cara a un 'online'. | A Xunta retirarou o polémico borrador que cambiaba o modelo da universidade pública cara a un online perate o amplo rexeitameno. Os rreitorados das tres universidades galegas elaboraron unha proposta, xa remitida á Consellaría, e que incide na importancia da educación presencial e "a autonomía universitaria". A causa foi que "unha vez coñecida e analizada a proposta" elaborada pola Xunta da Galiza, as universidades mostraron a súa "clara discrepancia" co documento por "supoñer un cambio radical co noso modelo universitario, ao tempo que non era respectuoso coa autonomía universitaria". 'Plan de Impulso e Consolidación das Competencias Dixitais' Por iso, as universidades de Santiago, Vigo e A Coruña están a elaborar un Plan de Impulso e Consolidación das Competencias Dixitais como apoio á Docencia Presencial no SUG para o curso 2020-2021, do que unha primeira versión xa foi remitida á Consellaría de Educación. Devandito plan resalta, ademais da súa autonomía, o "carácter presencial" das universidades públicas que conforman o Sistema Universitario Galego, un papel "máis activo do estudantado" -cun "maior protagonismo" da avaliación continua-, e o papel da Xunta como "promotora da cooperación" entre as propias universidades. Faise fincapé na gradualidade na implantación. Os cambios substanciais que a incorporación dalgunhas destas medidas levan consigo e que dependen da dotación de equipamentos, de cambios normativos e organizativos, pero moi especialmente da formación das persoas responsábeis da súa aplicación nos distintos ámbitos, "requiren unha implantación gradual, que ocupará varios cursos académicos". "Partimos do convencemento de que a incorporación de melloras no eido tecnolóxico pode e debe potenciar unha ensinanza presencial que, como quedou patente nos últimos meses, é capaz de adaptarse a un contexto excepcional temporal pero que non vai mudar, nin debe, a súa vocación de presencialidade", indican. |
PRAZA_16505 | VÍDEO Mulleres que nos últimos días participaron nas mobilizacións previas á folga feminista poñen voz á cobertura especial de Praza.gal e Nós Televisión para este 8M Teño que avisar na miña empresa de que vou facer folga? 12 preguntas e respostas sobre o 8M MAPA | Máis de 30 vilas e cidades galegas acollerán mobilizacións feministas o 8M | Teño que avisar na miña empresa de que vou facer folga? 12 preguntas e respostas sobre o 8M MAPA | Máis de 30 vilas e cidades galegas acollerán mobilizacións feministas o 8M Traballadoras en activo e xubiladas. Profesionais de sectores diversos e de múltiplas idades. Activistas e militantes que levan a loita á rúa dende hai anos e mulleres que reivindican nas súas contornas máis próximas ou que ata agora non o fixeran. Son moitas as voces que sustentan a reivindicación feminista deste 8 de marzo, Día das Mulleres e convocatoria de folga feminista a nivel internacional en máis dun cento de países. Mulleres que nos últimos días participaron nas mobilizacións previas á folga feminista poñen voz ao inicio da cobertura especial de Praza.gal e Nós Televisión para este 8M Testemuños de mulleres que nos últimos días participaron en diversos puntos de Galicia nos actos previos á folga feminista poñen voz ao inicio da cobertura especial conxunta de Praza.gal e Nós Televisión para este 8M. Os datos nos que se sustenta a reivindicación da xornada, o traballo dos movementos feministas e das organizacións sindicais que desta volta os acompañan, a vertente social e política da folga e as impresións das mulleres que se mobilizan serán as protagonistas. "O que queremos é demostrar que se paramos, para o mundo", explican algunhas das activistas que animan a secundar o paro de mulleres. "Estamos fartas da fenda salarial, do paradigma da desigualdade", pero tamén "con forza para reivindicar" e coa firme "decisión" de facelo. "Queremos igualdade", explican, e iso pasa polo ámbito laboral, pero tamén por que os coidados familiares non sexan só cousa de mulleres. "Que non nos maten, que non nos persigan, que non teñamos que renunciar á nosa carreira profesional" e o espazo público sexa, tamén para as mulleres, garantía de vivir "libres e seguras". |
NOS_27731 | Sería unha sorte de "presidenta transitoria" mentres a presidencia "lexítima" a mantería Puigdemont desde o exilio. Artadi -libre de cargos xudiciais e, por tanto, candidata viábel- podería ser investida a próxima semana. | O plano D -após fracasaren as opcións de Puigdemont, Sànchez e Turull, todos investigados polo poder xudicial español pola organización do referendo de autodeterminación do 1-O- ten todo o aspecto de ser Elsa Artadi. Economista de 41 anos, deu aulas en China e Italia e foi membro do comité científico do Banco Mundial. En 2015 asumiu a secretaría de Facenda dentro da Consellaría de Economía e foi directora de campaña de Junts per Catalunya nas eleccións do 21D de 2017. Politicamente é unha persoa moi próxima a Puigdemont, tanto que no seu momento se deu de baixa do PDdeCat, para patentizar que a súa lealdade é sobre todo co president agora no exilio. Nos equilibrios no espazo soberanista, a designación da candidatura á presidencia da Generalitat corresponde a JxCat. Agárdase que esta mesma fin de semana Puigdemont, nunha cimeira do grupo parlamentar de Junts per Catalunya en Berlín, avale a opción de Artadi, a primeira candidata que reuniría as condicións -non estar incursa en ningunha investigación xudicial- que exixe a Moncloa para non a vetar. A vía Artadi non significa que o soberanismo renuncie a reformar a Lei da Presidencia para viabilizar unha hipotética investidura a distancia de Puigdemont. O guión de JxCat -ao que se adire ERC- é aprobar a modificación legal -nun pleno do Parlament axendado para estas quinta e sexta feira- e agardar a que sexa o TC quen a tombe. Unha vez traspasada a Madrid a responsabilidade de que non se poda investir como president o candidato que reúne máis apoios parlamentares -Puigdemont si sería votado pola CUP-, a coligación independentista que de facto forman JxCat e ERC poría xa sobre a mesa formalmente o nome de Elsa Artadi. Habería un xogo de dupla lexitimidade. Por un lado, un Govern presidido en Barcelona por Artadi -con Pere Aragonés de ERC como vicepresident- e un Consell de la República no exílio liderado por Puigdemont, chamado a ser o xerme dun futuro estado catalán independente. Nunha entrevista por escrito coa Axencia Catalá de Noticias, Jordi Sànchez -internado na cadea de Soto del Real- expresou o seu respaldo á hipotética candidatura de Artadi: "É unha muller enormemente capacitada e agóirolle un longo percorrido político, sexa ou non aspirante á presidencia. Ela sabe que ten todo o meu apoio". |
NOS_37116 | As campás tocaron a misa e a freguesía, por primeira vez en semanas, acudiu. Os comercios locais abriron as reixas mentres que a hostalaría permaneceu, na súa maior parte, fechada. Porén, nas prazas de urbes ou vilas volvéronse escoitar as conversas de familias e amizades sentadas en bancos ou terrazas. | Nunha panadaría do ensanche compostelán, unha das encargadas rifa con retranca a dous clientes mentres lles sirve un café con leite: "Agora que abriron os bares xa non o viredes tomar aquí!". "A verdade é que xa se empeza a notar o cambio, non si? Hai máis ambiente pola rúa", prosegue mentres despacha barras e bolos de pan. No exterior, cinco persoas agardan despregadas en abano a súa quenda. Á tenda chega o eco das conversas que manteñen amizades e familiares nas terrazas e bancos da praza Roxa, o paso de viandantes cargados con bolsas ou o ruído dun tráfico máis frecuente que o das primeiras semanas do confinamento. As campás das igrexas chaman a misa e, por primeira vez desde a corentena, esta celébrase con parte da freguesía. Mentres, as reixas semibaixadas de moitos locais, as máscaras ou os carteis que informan do capacidade reducida dos estabelecementos abertos lembran as pautas da fase 1. A volta do comercio Perto da panadaría Roberto Sanmiguel atende tras o mostrador de Alita Comics, unha libraría especializada en banda deseñada. Se ben a Federación Galega de Comercio cifra en case 100% os locais que retomaron a súa actividade, na rúa na que se atopa o local de Alita moitos permanecen fechados. "Xa veu algún cliente, aínda que non moitos", conta Roberto. Un cambio respecto a pasada semana, durante a fase 0, cando o local abriu con cita previa. Roberto tamén agradece que a clientela que se achega cumpra coas medidas de seguridade. "Penso que a xente está concienciada", asegura. No casco histórico da cidade, Maite Villar recoloca os produtos da súa zapataría. Conta que a súa caseira lle facilitou estes meses máis duros e que está explorando, coma outras profesionais da zona, incorporarse á venda en liña. A normativa do comercio restrinxe as aperturas aos estabelecementos de menos de 400 metros cadrados, mais hai excepcións: os concesionarios e as estacións para a Inspección Técnica de Vehículos. O Grupo Caeiro abriu a porta dos seus sete instalacións. "Traballamos con cita previa, no taller non hai problema, mais en vendas si pode achegarse alguén sen máscara e temos que facilitarlla", explica a súa conselleira delegada, María Caeiro. Os vehículos que entran nos talleres e puntos de venda son desinfectados, un proceso que se repite antes da súa entrega. "A patronal dos concesionarios elaborou un protocolo e os fabricantes achegaron os seus propios", apunta Pablo Conde, director comercial do Grupo Breogán. Póñame outra A hostalaría, en cambio, resístese a reabrir coa preocupación de que os gastos superen os ingresos gañados en terrazas á metade da súa capacidade. César Ballesteros, presidente da Federación de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra, calcula que só 5% subiu a reixa. Na Coruña, o presidente do sector, Héctor Cañete estima que a partir do 25 de maio, en caso de que Galiza á fase 2, o panorama nas rúas mude. Agora, asegura, "estase abrindo por extrema necesidade". "Os restaurantes non abren", abunda, engadindo que tampouco o farán os aloxamentos turísticos. "A mobilidade interprovincial non está permitida e hai medo na poboación", di. Con todo, o primeiro día da Fase 1 moitas das terrazas que abriron enchéronse case de contado. Na rúa Barcelona, no barrio coruñés da Agra do Orzán, as veciñas baixaron tomar o primeiro café ao bar. Na rúa Real de Ferrol, as sete mesas do Lusitania estaban ocupadas e nos Cantóns a clientela aproveitaba os raios do sol á hora do vermú. Iago e Pilar atoparon cadeira na cafetaría Tertulia en Compostela. Coas cuncas na man, admiten que tiñan ganas de "volver un pouco á normalidade". "Pensaba que no primeiro día a xente botaríase á rúa, mais polo momento todas as persoas coas que me crucei son moi respectuosas, apartándose ao paso", asegura Pilar. Letras para levar Se ben a fase 1 inclúe a apertura de bibliotecas, teatros ou museos, a rede galega tardará uns días en reabrir as portas. Desde a Consellaría de Cultura explican que o persoal das bibliotecas está a estudar as medidas de seguridade decretadas polo Goberno estatal e a súa aplicación nos centros. Os libros devoltos, por exemplo, deberán permanecer en corentena preventiva durante dúas semanas. Os arquivos históricos de Ourense, Pontevedra ou Lugo o arquivo da Cidade da Cultura ou o Arquivo do Reino da Galiza xa retomaron parcialmente a actividade a pasada semana, con preferencia pola consulta en liña. Porén, até a vindeira semana non se informará do reinicio da actividade en museos ou bibliotecas. Nesta fase non se permitirá o estudo nas salas, nin tampouco a lectura de xornais, dúas das actividades máis habituais nas bibliotecas. Os libros poderanse solicitar e levar á casa. Desde a Consellaría, lembran que sigue dispoñíbel a plataforma dixital Galiciale, que durante o confinamento "quintuplicou" o número de préstamos. Tamén as universidades traballan na aplicación das normas de seguridade de cara á reapertura de bibliotecas ou espazos deportivos. Nos campus de Compostela e Lugo da Universidade de Santiago, por exemplo, estarán dispoñíbeis as pistas para xogar ao tenis ou as de atletismo. As fases por vir En Compostela, ao medio día, dous pequenos atópanse da man das súas respectivas familias. Detrás das súas máscaras de cores bérranlle á rúa as ganas que tiñan de verse e, a piques de ficar á mesma altura, a dun paso de peóns, manteñen a distancia e un di cun sorriso: "As apertas xa para outro día". O seu é o comportamento que demandan, coa progresiva volta ás rúas, as profesionais da sanidade: distancia, lavado de mans e prudencia para coidarnos e coidar as demais. |
NOS_17447 | Carme Fernández Pérez-Sanjulián é profesora titular na UDC. Especialista na obra de Otero Pedrayo, preparou para o coleccionábel 'Aí vén o maio!' Nós Diario o fascículo número nove centrado en Arredor de si. | Arredor de si foi interpretada tradicionalmente como a crónica da formación e experiencia intelectual do grupo Nós. Aínda é así? Así é pois é ben sabido que unha parte dos seus contemporáneos se viron reflectidos nesta novela (lembremos apenas "Nós, os inadaptados" de Vicente Risco ou artigos desta época de Carvalho Calero, por exemplo, na revista Nós), ao se recoñeceren na demorada descrición do proceso de desvelamento daquela realidade cultural, social e política que, estando diante deles, lles era absolutamente descoñecida. Que outras leituras pode ofrecer? Para alén de certos elementos ideolóxicos e de referencias estritamente epocais, da man do protagonista da obra asistimos a un proceso de reflexión e análise que nos obriga a reflectir sobre que é o que define unha identidade nacional. Creo que isto é o que fai que esta obra conserve a súa vixencia e siga a provocar o interese do público lector. No seu traballo vostede di que "á hora de lermos Arredor de si salta á vista o diálogo que esta obra establece coa produción dos autores da denominada xeración do 98" Como é ese diálogo? Hai unha parte do discurso da xeración do 98 que xira arredor da elaboración teórica da idea de España como nación e das claves desa identidade española que estes autores imaxinan, entre outros referentes, a partir da evocación de Castela e a súa paisaxe. Este discurso funciona para Otero Pedrayo como un referente de oposición pois unha parte importante da súa propia construción teórica ten moito de reacción, refutación e superación daqueloutro, tal como foi sinalado pola crítica que se ocupou da novela xa na época en que foi publicada (por exemplo, en 1934, por un novísimo Carvalho Calero nas páxinas de Nós). Crear conciencia nacional a través da obra literaria, utilizando mesmo elementos reais como símbolos, parece ser un dos obxectivos de Otero. Que elementos deste tipo están presentes en Arredor de si e como os utiliza Otero? Ao igual que acontece no resto da súa narrativa, en Arredor de si Otero Pedrayo adopta a ficción literaria como un medio para a formulación do seu pensamento político, isto é, como unha ferramenta que permite asentar unha ideoloxía e difundila entre un público máis amplo que o que asiste a actos políticos ou le textos deste tipo. Neste sentido, para alén da orixinalísima construción simbólica que Otero fai a partir do mapa de Fontán, ao longo da novela vemos como se desenvolven outros temas carregados de valor identitario como, por exemplo, a utilización da familia como metonimia da nación ou da relación home-muller (Adrián Solovio-Marquesa de Portocelos) como imaxe da dialéctica eu-outro / propio-alleo; a configuración de Santiago de Compostela como centro simbólico da Galiza etc. Finalmente, quen era o público destinatario da obra de Otero? Na altura de 1930, o público destinatario da obra de Otero Pedrayo era unha elite ilustrada, xa non tan limitada como a do século XIX que lía as producións de Rosalía, Curros ou Pondal, mais aínda reducida por moito que, xustamente, este fose un dos aspectos máis insistentemente traballados polo grupo galeguista. Existe hoxe ese público? Por máis que a situación actual non sexa, nin de lonxe, a ideal, o público lector da obra de Otero ampliouse moito. Supoño que podemos pensar que nesta situación inflúe o ensino, a difusión do libro en galego e, por suposto, toda a actividade de dinamización e normalización da lingua e da cultura galegas desenvolvida desde todos os ámbitos sociais. Con todo, é importante subliñar que, aínda que estamos a falar dun dos escritores valorados como centrais da nosa literatura, a obra de Ramón Otero Pedrayo non é suficientemente lida polo cal esta colaboración miña quere ser, sobre todo, un convite á lectura de Arredor de si. Subscríbete As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos. |
PRAZA_17326 | Traballadores e traballadoras dos medios públicos galegos volven denunciar a manipulación informativa e a demandar a creación dun Consello de Informativos na súa terceira xornada de mobilización. A protesta na RTVE espera chegar á súa fin tras o cambio no Goberno central. | Outra venres de protesta nos medios públicos galegos. Persoal da TVG e da Radio Galega uníronse outra vez á campaña en negro que levan a cabo traballadores e traballadores da RTVE desde hai varias semanas, en solidariedade coas súas demandas e para esixir a creación do Consello de Informativos e denunciar a manipulación informativa. Persoal da CRTVG volve denunciar a manipulación informativa e a demandar un Consello de Informativos no terceiro 'venres negro' Xornalistas e demais traballadores volveron vestir de loito de novo e concentráronse na entrada principal da CRTVG, así como noutras delegacións. A mobilización mantense, faise máis visible, tamén a través das redes sociais coa difusión de mensaxes e fotografías de ducias de profesionais, e acompaña á dos compañeiros da corporación pública estatal, que agardan que a xornada reivindicativa sexa a última tras o cambio no Goberno central. De novo baixo os cancelos #VenresNegroTVG ou #VenresNegroCRTVG, varios xornalistas e presentadores da televisión e da radio pública galega reclamaron medios libres, sen manipulación e plurais, tanto na sede central de San Marcos como en diferentes delegacións do país. Mentres, os traballadores e as traballadoras de RTVE viviron este venres o seu sétimo venres negro nunha xornada marcada pola esperanza en que a situación da Corporación poida desbloquearse tras o cambio de rumbo político no Estado. Un desexo que expresan cos cancelos elixidos para a ocasión #OjaláElÚltimo e #NegroEsperanza, confiando no suposto cambio de postura do PP ao sumarse ao "consenso" para renovar RTVE tras os cambios dos letrados no concurso. O persoal de RTVE espera que a deste venres sexa a última xornada de protesta tras sumarse o PP ao "consenso" para renovar a Corporación O PP, logo de meses bloqueando a renovación do Consello de Administración e a Presidencia de RTVE mentres estaba no Goberno, anunciou agora a súa intención de votar este mesmo martes na mesa do Congreso a "proposta de resolución" para o concurso público de RTVE cos cambios introducidos polos letrados. Unidos Podemos e o PSOE pediron uns días máis para estudar o novo texto e comprobar "se é respectuoso" co documento primitivo proposto e consensuado por todos os grupos parlamentarios, agás precisamente o PP. A mesa volverá reunirse o martes que vén para aprobar a proposta definitivamente. Mediante un comunicado difundido nas súas redes sociais, o movemento Mujeres RTVE celebra que o PP se sumase ao consenso, pero manteñen a súa reclamación pola urxencia de convocar o concurso público, xa que "cambia o presidente do Goberno. Cambian os ministros. Pero en RTVE seguen os mesmos directivos, manteñen o control editorial e manipulan como fixeron sempre". Unha urxencia que se manifesta noutro dos cancelos usados na xornada, #DensePrisa, dirixido aos políticos, e que comparte o Consello de Informativos de TVE, que acaba de publicar un informe no que se detallan máis exemplos de manipulación na canle pública. Malia recoñecer que están "esperanzadas con este cambio de rumbo", queren manter "cautela" e seguir "firmes e esixentes" na "defensa dunha RTVE despolitizada". Por iso relanzaron a campaña #AsíSeManipula a través das redes sociais, na que contan exemplos concretos de como os responsables en TVE manipularon ou obrigaron a manipular aos seus traballadores. |
NOS_6835 | 96,81% dos votos a favor. Participaron un total de 7.358 persoas do censo de inscritas. | Sen marxe para a máis mínima dúbida: as bases de Galicia en Común que participaron na consulta sobre o acordo de goberno de PSOE e Unidas Podemos deron un apoio case unánime ao pacto. Das 7.358 persoas que tomaron parte nesta consulta feita a través de votación telemática, 7.141 dixeron si ao acordo (96,8%) por 199 (2,7%) que se posicionaron en contra. "Os resultados da consulta marcan unha liña clara que aposta por un Goberno progresista no que En Común teña un papel decisivo, para defender as políticas das maiorías sociais deste país", indican desde a organización. |
NOS_16057 | A candidata do BNG á presidencia da Xunta salientou o compromiso de goberno da fronte nacionalista para modernizar os servizos e garantir a seguridade de todos os trens que circulan polo país. | O BNG iniciou os actos de campaña este sábado en Ferrol chamando a converter este 25 de setembro nunha "oportunidade de deixar atrás tanto paro, tanta pobreza, tanta precariedade, desde a confianza no país". A cabeza de lista dos nacionalistas, Ana Pontón, empezou o acto con palabras de lembranza ás vítimas do accidente de tren no Porriño e solicitou que se faga unha investigación independente sobre cales foron as causas dese sinistro". Pontón solicitou "que non se descarte de partida ningunha hipótese e que se adopten as medidas que sexan necesarias para garantir a vida e a seguridade das persoas que viaxan nos trens do noso país". Nese sentido, a candidata nacionalista apuntou a necesidade de modernizar os servizos ferroviarios, en alusión á antigüidade do tren sinistrado. "Non se fixeron investimentos na súa modernización, nin na súa seguridade e, polo tanto, é necesario que haxa un compromiso claro". "Non se fixeron investimentos na súa modernización, nin na súa seguridade e, polo tanto, é necesario que haxa un compromiso claro". O lugar elixido polo BNG para o seu acto en Ferrol foron os xardíns de San Francisco, un lugar simbólico segundo a formación, que reclamou o fin dos "privilexios urbanísticos e fiscais do ministerio de Defensa, así como a recuperación para o público dos terreos e propiedade sen uso, como a Illa de Tambo". Nesa liña, Pontón pediu a transferencia a Galiza das instalacións militares co fin de facer unha reordenación do espazo público. "Queremos que as funcións de emerxencia e de investigación hidrográfica e de inspeccións pesqueiras encomendadas aos militares se desenvolvan desde o ámbito público". |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.