ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_19289 | A participación desborda a XVIII edición do Concurso de Relato Oral Tíralle da Lingua, que ten lugar na mañá de 28 de novembro no Pazo de Feiras e Congresos de Santiago, con case 1.000 participantes. | O XVIII Concurso de Relato Oral 'Tíralle da Lingua', organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), diríxese ao alumnado e profesorado dos centros de ensino para incentivar e normalizar o uso oral da lingua galega. O certame organízase en tres categorías, que responden aos niveis académicos de primaria, primeiro ciclo de ESO e 4º de ESO / ensino postobrigatorio. Como explica a Sermos Galiza Carme Vilariño, coordinadora do evento e integrante da directiva da AS-PG, cada centro desenvolve unha fase previa de selección das narradoras que chegan logo á final, que se celebra na mañá de 28 de novembro en Compostela. «Este ano desbordounos totalmente, hai perto de 1.000 rapazas contando contos», conta Carme Vilariño Aforo desbordado A edición de 2019 chega á maioría de idade do «Tíralle da lingua», un evento xa consolidado nas axendas das escolas e institutos. «Este ano desbordounos totalmente, hai perto de 1.000 rapazas contando contos», conta Vilariño, cunha destacada afluencia de centros privados, que racha coa tendencia de certames anteriores. Aínda que normalmente se viña celebrando no Teatro Principal de Compostela, a alta participación obrigou a trasladalo ao Pazo de Feiras e Congresos nesta ocasión, pois «o aforo non nos daba», comenta, por iso «tivemos que desdobrar en dúas salas». Ante datos tan positivos, desde a organización non podes máis que expresar a súa ledicia. Vilariño destaca que «é unha satisfacción a implicación do profesorado», pois ten que facer un esforzo por garantir a participación destas novas contadoras. |
NOS_41612 | A Fundación de Estudos e Análise (FESAN), dedicada á formación, ocupación e atención a centros asistenciais, foi beneficiaria dunha subvención da Consellería de Cultura por máis de seis mil euros para unha asistencia técnica para o fomento do baile tradicional. A CIG-Administración denuncia o trato de favor a unha fundación que vencella co Opus Dei. | Non é a primeira vez que FESAN, a Fundación de Estudos e Análise, aparece nas listaxes de axudas públicas da Xunta, pois que a propia CIG-Administración denunciara a resolución do concurso de xestión de garderías privadas que recaeu na mesma empresa por valor de1,57 millóns de euros. O singular desta volta é que a Fundación de Estudos e Análises, dedicada de maneira especial á formación, xestión ocupacional e de centros de infancia e maiores, é beneficiaria dunha subvención da convocatoria destinada a entidades culturais. A CIG-Administración, que vencella a asociación co OPUS, define FESAN como "unha desas consultoras omnipresentes na Xunta que vale para un roto como para un descosido". Na convocatoria da Consellaría de Cultura, Fesa é beneficiaria de 6.628,44 €, nunha listaxe na que a maioría das entidades son sen ánimo de lucro. Denuncia a CIG que na súa páxina web non figura en parte algunha a dedicación a actividades de promoción cultural, polo que entenden que "lle estamos a pagar as clases de baile que darán nos centros que tutelan e que deberían ser ofertadas por eles como servizos a comunidade. Iso por non dicir que hai suficientes indicios que apuntan cara á un evidente favoritismo con esta empresa multidisciplinar". FESAN ten sedes en Santiago e Lugo. Na súa páxina web e nas redes sociais -integramente en español- sinalan que son unha entidade con dúas liñas de traballo, a formación e xestión de servizos. "Somos centro homologado para impartir formación profesional, temos Escola de Tempo Libre homologada e impartimos todo tipo de cursos de carácter privado", din ao tempo que informan de que xestionan 14 centros de maiores e 13 garderías na Galiza. |
PRAZA_13426 | Esther Vivas, activista, investigadora e membro de Izquierda Anticapitalista, presenta este xoves na Asociación Cultural Bou Eva o seu libro Planeta indignado. Ocupando el futuro e o venres participa tamén en Vigo no Congreso Internacional de Agricultura Ecolóxica. Audios no interior. | Esther Vivas, activista, investigadora e membro de Izquierda Anticapitalista, presenta este xoves na Asociación Cultural Bou Eva o seu libro Planeta indignado. Ocupando el futuro. A obra, escrita xunto con Josep Maria Antentas, analiza a construción dos movementos de indignación en todo o mundo, dende o 15M á resistencia en Grecia ou as revolucións árabes. O venres participa tamén en Vigo no Congreso Internacional de Agricultura Ecolóxica, onde presentará un relatorio sobre Crisis alimentaria: causas, consecuencias e perspectivas, como membro do Centro de Estudios sobre Movimientos Sociales da Universidad Pompeu Fabra. "O que vimos estes días coas eleccións en Grecia é a actitude neocolonial da troika, os mercados e o establishment coa vontade de interferir no resultado das eleccións gregas, mesmo dicíndolles aos gregos aquilo que tiñan que votar" Como analizas o que vén de suceder nas eleccións gregas? O que vimos estes días coas eleccións en Grecia é a actitude neocolonial da troika, os mercados e o establishment coa vontade de interferir no resultado das eleccións gregas, mesmo dicíndolles aos gregos aquilo que tiñan que votar. E o resultado das eleccións pon en evidencia o peso que tivo o voto do medo, pero tamén vimos como en Grecia triunfou a esperanza, non senso de que Syriza non gañou as eleccións, pero si que podemos dicir que o resultado das urnas non ten lexitimidade social: hai un desgaste maioritario dos partidos maioritarios e o goberno saído das urnas, un goberno pro-memorándum é un goberno sen lexitimidade que se atopa un país en pé de loita e que reclama unha política moi distinta. E en España, que papel cumpriu o 15M? O que vemos é que as razóns da indignación e do malestar que deron lugar ao 15M se multiplicaron, a mobilización e a resposta social na rúa foi en aumento. O movemento 15M conseguiu romper co escepticismo, a resignación e a apatía que había antes e hoxe vemos que a mobilización vai a máis. Que retos ten por diante? O movemento do 15M levou a indignación á rúa, o que significou unha recuperación do espazo público, pero o gran reto que temos por diante é precisamente levar esta indignación aos centros de traballo, onde aínda pesa de maneira moi importante o medo e o escepticismo. Vemos como a xente se mobiliza, pero o luns volve ao traballo e agacha a cabeza, acepta unhas regras do xogo nos centros de traballo que implican unha alta precariedade laboral. O reto é levar a indignación aos centro de traballo, ao que é a sala de máquinas do sistema capitalista e por iso hai que avanzar na construción dun sindicalismo combativo, que teña o seu eixo de gravidade nas loitas na rúa e non nas negociacións por arriba, como se caracterizou o sindicalismo maioritario en España. "O movemento permitiu crear opinión pública en senso progresista" Dise que o 15M tivo o mérito de politizar sectores que antes non se preocupaban polos asuntos públicos, pero tamén muda os temas, leva as reivindicacións máis aló. Hai uns meses só algúns sectores minoritarios falaban de banca pública, por exemplo, e agora é un tema que está no debate de todos os partidos... Si, a emerxencia do 15M implicou un reinterese dos asuntos colectivos por parte de amplos sectores da sociedade, fronte a unha saída da crise que ten consecuencias regresivas nos dereitos sociais, laborais e democráticos. Vimos este reinterese por participar, por decidir sobre cuestións que até hai pouco eran monopolio duns poucos profesionais da política. E á vez o movemento o que permitiu foi crear opinión pública en senso progresista. Fronte a un discurso único que nos culpabiliza da crise, que nos repite todos os días que vivimos por riba das nosas posibilidades, o movemento crea un novo discurso: explotáronnos por riba das nosas posibilidades, os que viviron por riba das súas posibilidades foron unhas determinadas elites económicas e financeiras, que nos conduciron á presente situación de crise: especularon coa vivenda e agora fannos pagar a súa mala xestión ao conxunto da sociedade. En paralelo coa emerxencia do 15M foron instalándose algúns temas que antes ficaban recluídos en sectores máis minoritarios: agricultura ecolóxica, consumo responsable, decrecemento... En moitas da asembleas creáronse alternativas concretas ao discurso único do sistema, que nos di que non hai alternativas, e apostouse por comezar a crear outro mundo aquí e agora. E neste senso, as experiencias de consumo ecolóxico ou de redes de intercambio xogaron un papel moi importante no 15M e vimos a aparición de iniciativas de hortos urbanos, de mercados de troco, de grupos de consumo agroecolóxico. Temos que comezar a levar á práctica estas alternativas, pero tamén temos que ter en conta que con estas iniciativas locais non abonda; son moi importantes pero é fundamental levar estas iniciativas ao conxunto da sociedade e xerar cambios nas políticas públicas e xerar cambios a nivel global. "Cando falamos de cambio de modelo, tamén falamos de cambio de modelo de produción que teña en conta os límites do planeta" A saída da crise está no crecemento? Ou no decrecemento? Hai que cambiar o chip? A nosa axenda indignada está moi marcada pola loita contra a banca, contra a crise, contra a débeda e esta é só unha das facetas da crise de paradigma que enfrontamos. Hai unha faceta moi importante, que ten que ver coa crise medioambiental e ecolóxica, que hai que incorporar ás mobilizacións. Cando falamos de cambio de modelo, tamén falamos de cambio de modelo de produción que teña en conta os límites do planeta. Unha perspectiva anticapitalista, pero tamén unha perspectiva antiprodutivista. Non só se trata de acabar co capitalismo que antepón os intereses particulares aos intereses colectivos, senón de acabar coa lóxicas produtivistas. "Un dos retos que temos por diante no Estado: construír unha fronte de organizacións da esquerda anticapitalista que sexa unha alternativa real" Que debe facer en España a esquerda e os movementos de indignación para conformar unha alternativa real de goberno, como o é Syriza en Grecia? O que está pasando en Grecia ten moito que ver co que pode suceder aquí nun tempo; de feito, Grecia é un laboratorio dos de arriba e dos de abaixo, é un laboratorio do capital e da resistencia. E nese senso as políticas que saian vitoriosas deste combate serán as que se reproduzan no resto da periferia da UE. É interesante ver como se uniron os dous partidos maioritarios, os equivalentes a PP e PSOE, que levaron o país á bancarrota. E vimos como era plausible un goberno dunha opción de fóra do sistema. É interesante plantexar a relación entre movementos sociais e loita política. Polo tanto é necesario tamén construír alternativas políticas anticapitalistas, que desafíen o actual estado de cousas e que plantexen outra práctica e outra maneira de facer política, que sexa leal cos movementos sociais. Con isto non digo que o movemento indignado teña que converterse nun movemento político, iso sería un grande erro: a independencia dos movementos sociais con respecto aos partidos é fundamente. Pero iso non quita que para mudar as cousas hai que construír alternativas políticas consecuentes. E ese é un dos retos que temos por diante no Estado: construír unha fronte de organizacións da esquerda anticapitalista que sexa unha alternativa real. |
NOS_9352 | O crédito, con Antonio Durán Morris e Pedro Alonso, estréase esta quinta feira en Pontevedra. Eme2 produce esta comedia que se suma a Kassa de Elefante Elegante e A casa do avó de Tanxarina para levar os despoxos e a especulación bancaria á escena. | O Crédito represéntase os días 5, 6 e 7 no Teatro Principal de Pontevedra antes de iniciar unha xira na que Eme2 levará a obra por todo o país. Dirixida por Fernando Bernués e producida por Mercedes CAstro, os actores Antonio Durán Morris e Pedro Alonso son os encargados de representar unha historia na que o director dunha sucursal bancaria négalle o crédito a un cliente por falta de avais. Na presentación, Morris afirmou, con brincadeira, que despois da función vanse "revisar os protocolos dos bancos". E non será así, mais o que está certo é que ás táboas chega con forza un tema que está no sentir da sociedade e que padecen centos de persoas que se viron afogadas polas débedas e a hipoteca. Despoxos ás crianzas O paso seguinte: o despoxo. E o pincho máis difícil vén da man de Tanxarina que nunha obra con texto e dirección de Cándido Pazó tentan explicar ás crianzas o desafiuzamento da casa do avó. Malia iso, a solidariedade é un dos elementos que máis forza mostran na tráxica circunstancia que centra a historia de "A casa do avó". Como "unha peza de teatro social e educativo onde os dereitos dos nenos e dos maiores van máis alá do puramente artístico" presenta a compañía de Redondela este novo espectáculo no que defenden o dereito das crianzas a "ser coñecedores do que pasa ao seu redor dunha maneira apropiada e en condicións de igualdade". Tamén a compañía Elefante Elegante afonda na tensa relación entre a banca e o dereito á vivenda na súa obra Kassa na que mostran a súa convicción "tal e como está especificado no artigo 25.1 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de que dispor dunha casa é un dereito fundamental", afirman na presentación do seu novo espectáculo que está inspirado en A Metamorfose de Kafka. "Hoxe, cen anos despois, o seu protagonista Gregor Samsa converteríase nun insecto, non por ter un traballo esixente e anulador senón por estar |
NOS_11143 | A central sindical aposta por unha "saída galega xusta" á actual crise económica. | A Confederación Intersindical Galega (CIG) fixo esta quinta feira un chamamento á participación nos "actos convocados polo nacionalismo" co gallo do Día da Patria Galega. Dez entrevistas que demostran que "Somos quen de producir": Especial 'Sermos Galiza' Día da Patria Galega Así, desde a central sindical reivindican "os dereitos da Patria Galega" porque "somos clase, somos nación, pobo traballador orgulloso e consciente da necesidade de decidir nós o noso futuro" para "poder vivir e traballar dignamente na nosa terra". Ademais, a CIG cualifica como "necesidade vital para o futuro da humanidade" estabelecer unha "nova orde mundial asentada na paz, en pobos e nacións libres, soberanas, non sometidas nin dominadas, onde as relacións internacionais se dean en pé de igualdade". A central nacionalista denuncia que este 25 de xullo de 2022 chega "nunha situación económica e social extrema na que se está a aproveitar a guerra en Ucraína para xustificar os altos prezos da electricidade, dos combustíbeis e de moitos bens de consumo básicos que xa arrastrabamos desde antes". 'Gañarmos o futuro', a campaña do BNG de cara ao Día da Patria Galega Por este motivo, a central sindical "reclama políticas públicas e salarios dignos que reduzan os efectos devastadores dos altos prezos, freen o imparábel medre do empobrecemento da clase traballadora e garantan unhas condicións de vida dignas para as maiorías sociais". A CIG fixo no seu comunicado unha mención especial ao "oligopolio das empresas eléctricas" que, segundo sinala, "esténdese sen asumir os custos sociais, laborais e ambientais que provoca, mentres asistimos a un rexurdir especulativo ligado ás enerxías renovábeis". Sindicatos nacionalistas piden ampliar a xubilación anticipada do persoal sanitario Esta especulación, explican, está a provocar un maior "espolio dos nosos recursos derivado da situación de dependencia colonial que padecemos, para que nos sigan saqueando e estragando o noso territorio". "Saída galega xusta" A central sindical urxe "medidas extraordinarias de intervención pública, de cambios profundos nas políticas económicas e fiscais". "As políticas do PP na Xunta, antes con Feixóo e agora con Rueda, contribúen a agravar aínda máis esta situación, porque a saída que teñen deseñado para a crise é servil ao poder económico", sinala a CIG. Fronte a isto, apostan por un "plan galego de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno e defensa dos servizos públicos". |
NOS_9770 | O secretario xeral do PP en Galiza, Miguel Tellado, celebrou esta cuarta o xiro cara á "moderación" na campaña do PP no plano estatal. Ao seu xeito de ver, a formación que encabeza Pablo Casado ten "a obriga de ser un partido moderado, de centro e reformista". | Despois de que nas anteriores eleccións xerais do pasado mes de abril, o PSOE rompera a hexemonía dos populares na Galiza, Miguel Tellado pensa que o PP "volverá gañar" o 10-N. "Sánchez pagará ter traizoado a confianza das galegas e dos galegos. Foi un mal presidente para España, mais aínda peor para Galiza", dixo Tellado. O secretario xeral dos populares galegos reivindica ao PP como "a garantía de desbloqueo" da situación no Estado. Tamén anuncia unha campaña "moi intensa e concentrada" na que o PP intentará chegar "a todos os lugares" do país. Respecto da versión máis moderada de Pablo Casado, o líder estatal do PP, que comeza a aparecer nesta pre-campaña, Miguel Tellado asegurou que Casado "foxe dos radicalismos" e prevé que se producirá "unha forte contestación a Pedro Sánchez", que se está apoiando en partidos radicais. |
NOS_16496 | As mostras antimonárquicas son cada vez máis visíbeis en Catalunya. Se hai un ano foran as queimas públicas de fotografías de El-Rei agora son as mesmas institucións e colectivos sociais os que demandan a desaparición dos seus privilexios. | O concello de Berga (Barcelona) declarou o Rei Juan Carlos I persoa non grata . No pleno municipal celebrado hai uns días acordouse, tamén, revogar o título de Fillo Adoptivo e a Medalla de Ouro da Cidade que tiña o ditador Francisco Franco. A proposta partiu da Candidatura d'Unitat Popular (CUP) e contou cos votos en contra do PP e coa abstención de CiU e PSC. Nela arguméntase que o Rei "non ten este título como resultado dun proceso democrático (...) senón como consecuencia da herdanza ditada polo seu antecesor Francisco Franco". Aliás, sinalan que o Rei "lonxe de encabezar un proceso democrático para recompensar os agravios e crimes cometidos pola ditadura fascista do seu mentor, o reinado de Juan Carlos de Borbón caracterizouse pola absolución política e penal dos criminais franquistas". Intelectuais e polític@s cataláns pediron ao concello de Barcelona que mude o nome dunha céntrica praza. Praza da República cataláHai uns días, segundo publica o xornal Nació Digital, intelectuais e polític@s cataláns pediron por carta ao concello de Barcelona mudar o nome dunha das céntricas prazas da cidade que agora se chama Joan Carles I. As persoas asinantes, entre elas a decana da Facultade de Economía da UB, Elisenda Paluzié, os escritores Matthew Tree e Víctor Alexandre, ou os políticos Alfred Bosch ou Joan Tardà, remitiron a petición ao actual alcalde da cidade, Xavier Trias. Ademais solicitan a restitución da estatua orixinal da República no seu lugar e que leve o nome de Praza da República catalá. Este nome, apuntan na carta, é a "máxima expresión de soberanía e democracia que fixo a nosa Nación desde 1714". |
NOS_13584 | Unha muller, de 40 anos, asasinada polos disparos dunha escopeta de caza, presuntamente a mans da súa parella, detida pola Garda Civil. | Unha muller de 40 anos de idade foi asasinada sobre as seis da tarde desta quinta feira en Herbón, na parroquia de Tortes, no concello de Becerreá (Ancares), por disparos dunha escopeta de caza. Axentes da Garda Civil detiveron no lugar dos feitos a un varón de 29 anos, parella da muller, como presunto autor do asasinato. A muller tiña dous fillos dunha relación anterior. Un deles, de 16 anos, resultou ferido nunha man. As cifras oficiais da violencia machista na Galiza ascenden formalmente a 8 casos na Galiza en 2015 após un xulgado de Ferrol ordenar o ingreso en prisión do marido de C.P., a muller asasinada o 29 de decembro en Narón. A xustiza recoñece así que se trata dun caso de "violencia de xénero" polo que se procedeu á detención do home. Após pasar a disposición xudicial decretouse o seu encarceramento. |
NOS_55718 | A formación nacionalista organizou obradoiros de comunicación por todo o territorio para candidat@s, que transmitirán ideas forza como a defensa do patrimonio e a lingua ou a loita contra a emigración xuvenil. | O BNG prepara os seus candidatos ás alcaldías galegas co obxectivo de "cambiar as prioridades" desde os propios concellos, que deben ser, a xuízo de Goretti Sanmartín, responsábel de Política Municipal, as "persoas" e o "pobo galego". Para iso, realizou este sábado obradoiros de comunicación en moitas comarcas galegas, dirixidos ás persoas que integran as candidaturas, ben como a outras que "teñen que transmitir a mensaxe" do Bloque. O obxectivo é ver cales son as "ideas forza" e "avaliar" o que o BNG fixo até o momento. Nesa liña, tamén situou no centro de prioridades "evitar que a mocidade emigre", ben como a lingua, a cultura e o patrimonio propio de Galiza. Así mesmo, Sanmartín tamén se referiu ás candidaturas que a formación nacionalista ten "fechadas", que alcanzan as 240 na actualidade. Con todo, non todas foron aprobadas, sendo que teñen que pasar polo Consello Nacional do 11 de abril. Desde a formación contan con superar esa cifra. A continuación, insistiu en que o BNG intentará conseguir que haxa candidaturas en "todo" o conxunto de Galiza", aínda que admitiu que, nalgúns concellos, "non vai ser posíbel". |
PRAZA_1606 | Os datos máis recentes de Eurostat acreditan un novo retroceso de 4 puntos do PIB per cápita galego a respecto da media da UE. A Xunta calculou que en 2014 este indicador estaría no 95% e en 2013 xa baixara ata o 83%. | Como a Penélope que deixou escrita o poeta Díaz Castro: "Un paso adiante i outro atrás, Galiza". Os anos de crise económica séguenlle pasando factura á estancada economía galega tamén no que atinxe a un dos obxectivos máis formulados polos diversos gobernos: a converxencia coa Unión Europea en termos de renda. Eurostat, a oficina estatística da Comisión Europea, vén de actualizar este indicador e certifica un retroceso de catro puntos máis, de xeito que os avances logrados durante os anos da suposta bonanza xa foron consumidos e o retroceso deixa o país nun nivel idéntico ao do ano 2004. Segundo a última actualización de Eurostat o PIB per cápita galego ficou no 83% da media europea no ano 2013, catro puntos menos que en 2011, cando ofrecera este dato por última vez. Confírmase así a tendencia diverxente iniciada hai media década e o retroceso acumulado é de case dez puntos. Nos anos 2008 e 2009 a converxencia co continente avanzou ata chegar ao 92%, culminando así dez anos de avances dende o 76% do ano 2000. Tras unha década de avances, a converxencia tornou en diverxencia cun retroceso de case dez puntos O retroceso na converxencia coa UE non é, con todo, exclusivo de Galicia, senón que é a tendencia xeralizada no seu entorno máis inmediato. Así, no conxunto do Estado español e mais en Portugal unicamente cinco territorios, a maioría portugueses, avanzaron na súa converxencia entre 2011 e 2013. No caso español unicamente Madrid gaña posicións, cunha renda per cápita que pasa de estar 26 puntos por riba da media europea a facelo en 28. En Portugal avanzan catro das sete rexións nas que se divide administrativamente o país, se ben só a área metropolitana de Lisboa está por riba da media, agora cun 108%. A Xunta calculou que en 2014 Galicia acadaría o 95% da renda europea, pero en 2013 xa retrocedera ata o 83% A perda do tren da converxencia europea non só é unha mostra máis do retroceso, primeiro, e do estancamento, despois, da economía galega nos últimos anos. Tamén é un novo revés para as previsións económicas que a Xunta formulou no seu Plan Estratéxico 2010-2014, un documento que se dispón a chegar á súa segunda edición despois de errar en boa parte das súas proxeccións. No caso da converxencia coa UE no que atinxe ao PIB per cápita o Goberno galego preveu que continuaría o avance dos anos de bonanza, pasando do 90% do 2010 a un 95% no 2014. O certo é que o que se prevía como un crecemento de 5 puntos tornou nun retroceso de 7. Estes datos danse, asemade, nun contexto no que o crecemento económico de Galicia é o sexto menor do continente. Se ben en datas recentes a Xunta se aferrou a que o último dato de medre do PIB (0,9%) é semellante ao de Alemaña (1,1%) unha ollada ao mapa dos devanditos datos de PIB per cápita indica que, como moito, Galicia só se podería comparar a determinados territorios da antiga RDA, xa que o resto do territorio xermano conta cun PIB per cápita superior á media da Unión. |
NOS_49700 | Após 21 horas de negociación, os ministros de Pesca da Unión Europea acadaron esta cuarta feira un acordo para a repartición das posibilidades de pesca no Atlántico e no mar do Norte para 2020 que difiren sensibelmente das recomendacións da Comisión Europea, que de cumprírense, como alertaban desde o cerco galego, "suporían a desaparición do sector". | Finalmente, tras unha longa xornada de negociacións entre delegacións nacionais e co Executivo comunitario, os ministros do ramo acordaron recortes de 5,5% para as capturas de pescada en augas ibéricas (moi lonxe de 20% que propuña Bruxelas), un incremento de 24,3% para o xurelo pescado ao sur de Fisterra e no Golfo de Cádiz (a Comisión pedía recortala 50%), de 24% para o gallo do Cantábrico e de 3% para o lirio, entre outros. Desde a Asociación de Armadores de Cerco da Galiza, Andrés García, o seu portavoz, asegura a Nós Diario que na frota están "razoablemente satisfeitos" co resultado das negociacións, en especial co aumento de cota de 40% na xarda. Como recoñece, o panorama que pintaban as propostas da Comisión "non era nada alentador". A única lectura negativa vén da baixada de 40,7% no xurelo do Cantábrico, aínda que valora o feito de que se poida compensar con capturas noutras zonas nas que aumentan as cotas desta especie. Pola súa banda, Torcuato Teixeira, presidente de Pescagalicia-Arpega, tamén atopa "máis luces que sombras" nos resultados da negociación. "A redución é moi mala noticia para o xurelo, aínda co mecanismo de compensación, pero o incremento da xarda é moi importante". Respecto ao feche da pesqueira da cigala, que cualifica de "kafkiano e sanguento", albisca esperanzas coa revisión proposta por Bruxelas. "Agora estamos a tirar o recurso pola borda por non ter establecido un total admisíbel de capturas", lamenta. Por iso pide a institucións como o Instituto Español de Oceanografía que se poñan a traballar xa nas análises científicas para poder reabrila "o antes posíbel". Aumentan os límites para pescada, xarda e gallo e revisarase o feche da pesqueira de cigala Nas negociacións de Bruxelas, xunto ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, estivo tamén presente a conselleira do Mar, Rosa Quintana, quen celebrou que "ao final" se lograron "moi boas cousa" para a frota galega na negociación. "Mantivemos o barco á boia a partir dunha postura inicial de tiro á liña de flotación", salientou a conselleira, que regresa da capital europea coa misión cumprida de "manter o equilibrio social, económico e ambiental" do sector pesqueiro na Galiza. Máis xurelo Na súa opinión, á vista dos resultados, é "lóxico" que aumenten as posibilidades de pesca do xurelo ao sur de Fisterra, tal e como "dicían os científicos", e non aplicar unha política de recorte que rebaixaba as capturas 48%. Porén, respecto ao do Cantábrico, indica que "non está ben", polo que son "consecuentes" co recorte de 41% finalmente pactado, unha valoración que non comparten desde Acerga, que cren que o rendemento máximo sostíbel permitiría deixar a baixada en 10%. Con todo, Quintana considera unha "moi boa noticia" que se conseguise unha flexibilidade de 80% para poder traer xurelo de outras zonas de pesca, como por exemplo Francia. No tocante á pescada, a conselleira cre que a baixada de 5,5% "non é mal resultado para a situación da que se partía" (24%). Con todo, recoñece "a deficiencia" nos resultados da pescada do Gran Sol, cunha diminución de 20,6%, dado o seu "impacto" na Galiza, pero recoñece que "non se puido conseguir" máis cos datos cos que contaban. Por último, no que atinxe á pesqueira do lagostino no Cantábrico, que inicialmente seguirá fechada en 2020 sumando así catro anos consecutivos de veda, Rosa Quintana confía en que "poidamos ter boas novas tamén, xa que valoraron moi positivamente os datos que lle achegaron desde o Consello Galego de Pesca". |
NOS_38852 | Centos de galeg@s non foron informad@s de que as pensións que cobraban no estranxeiro tiñan que tributar, polo que Olaia Fernández pedirá no Congreso que se anulen as sancións. | Na mesma semana na que o Goberno anunciou o seu plan para recentralizar toda a acción exterior, deixando así sen tratamento propio á actividade económica galega e tamén aos seus milleiros de emigrantes, a representación do BNG no Congreso dos Deputados presenta dúas iniciativas en defensa da diáspora de Galiza no estranxeiro. A deputada Olaia Fernández Davila, formalizou unha proposición non de lei na que insta ao Ministerio de Facenda a anular os expedientes sancionadores que enviou a uns 400 emigrantes galegos -cifra que podería ser maior- e que cobraron pensións estando fóra do Estado que "descoñecían que estaban suxeitas a tributación". "Non sabían a obriga de declarar na Axencia Tributaria estas pensións e está claro que en ningún momento tiveron intención de defraudar", sinalou Fernández Davila "Estas persoas non sabían a obriga de declarar na Axencia Tributaria estas pensións e está claro que en ningún momento tiveron intención de defraudar", sinalou Fernández Davila, que solicitou tamén que se lles informe correctamente e se regularice a situación "sen multas". Ademais, a deputada do BNG denunciou que "Galiza padeceu e segue a padecer unha emigración brutal". Pola súa banda, a outra deputada nacionalista en Madrid, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei e unha iniciativa parlamentar na Cámara que insta ao Goberno a manter operativa a Axencia Consular de Basilea en Suíza -que pechará o 15 de setembro- "dado o alto número de emigrantes galeg@s que viven e traballan no país helvético, e que precisan dunha Administración consular próxima". Pérez subliña que moitos emigrantes que fan uso do Consulado de Basilea son "persoas maiores, con problemas para viaxar ate Berna". "Do outro lado temos agora a miles de moz@s nada familiarizados co país e a súa lingua, así como nos trámites a seguir e que máis que nunca precisan de atención por parte do Goberno", aseverou. |
NOS_27492 | Xavier Vence perfílase como o novo portavoz nacional do BNG ao encabezar unha proposta de candidatura ao Consello Nacional que conta co respaldo dos independentes, a Unión do Povo Galego e o Movemento Galego ao Socialismo, segmentos que neste momento son amplamente maioritarios na base militante da organización nacionalista. | Xavier Vence (1961) liderará a que presumibelmente será a única listaxe que se apresente na Asemblea Nacional que o BNG realizará o 17 de Marzo en Santiago de Compostela (Pazo de Congresos). Vence será portavoz nacional cunha dirección moi renovada. Até 12 caras novas poderíanse incorporar á Executiva Nacional. O catedrático de Economía Aplicada da USC tentou que a candidatura que encabeza incorporase tamén persoas de Abrente, o colectivo liderado por Aymerich. Visando tal propósito, convocou unha reunión, que se realizou esta quinta feira. "Non houbo masa crítica suficiente para chegarmos a un acordo", revelou na Radio Galega Suso Veiga, dirixente desa corrente. Porén, Abrente non vai presentar ningunha candidatura alternativa. Os distintos segmentos que impulsan a candidatura encabezada por Vence, que representan a amplísima maioría na base militante do BNG, teñen en mente a composición dunha nova dirección executiva profundamente renovada, até o punto de que, segundo puido saber Sermos Galiza, até 12 caras novas se poderían incorporar á Executiva Nacional. Até 12 caras novas poderíanse incorporar á Executiva Nacional Perfílanse como novos membros da dirección nacionalista Ana Miranda, Rosana Pérez, Goretti Sanmartín, Xavier Campos, Saleta Chao Rivas, Néstor Rego ou Mar Vila. Retornaría tamén á Executiva Nacional Bieito Lobeira. Da actual dirección ficarían apenas Francisco Jorquera, Montse Prado e Rafa Vilar. A profunda renovación da dirección visa o relanzamento do proxecto frentista en dous planos, no do relacionamento cos movementos sociais e no do fortalecimento organizativo, no cuadro da aposta que o BNG vén facendo a prol da conquista da soberanía nacional. O Consello Nacional do BNG vaise reunir este sábado para debater as emendas ás teses da Asemblea Nacional vindas das asembleas comarcais. |
PRAZA_9300 | Tereza Cristina, Ministra de Agricutura do Brasil, liberou a entrada de 28 agrotóxicos extraordinariamente tóxicos. Rusia, o quinto importador, decidiu que suspendía as compras se non retiraban a medida. Non cómpre ter simpatía polo ditador moscovita para imitar a iniciativa | Tereza Cristina é a ministra de agricultura do Brasil. Pertence á Bancada do Boi, a dos propietarios rurais, que conforma a Bancada BBB, coa da Biblia e a da Bala. É a extrema dereita taruga e antisocial de Bolsonaro, pero relativamente moderada se a compararmos co encargado da presidencia venezolana, do partido de Leopoldo López, violento, racista, guerracivilista e guillado; da casta dos que dicían cando o caracazo: Bajan los monos de los cerros, caraqueños métanse en sus casas. Referíanse aos pobres. A Hugo Chávez na embaixada dos EEUU chamábanlle familiarmente o chimpancé.Tereza Cristina é a ministra de agricultura do Brasil. Pertence á Bancada do Boi, a dos propietarios rurais, que conforma a Bancada BBB, coa da Biblia e a da BalaÁnimo demócratas europeos. Tereza Cristina presentara o Pacote do Veneno no Parlamento, antes de ser ministra, para favorecer aos seus. E agora, só en xaneiro, liberou a entrada de 28 agrotóxicos extraordinariamente tóxicos, como o Sulfoxaflor, prohibido até nos EEUU. O Lobby do Veneno gaña pois, pero o problema é noso, porque o Estado Español destaca entre os primeiros importadores mundiais de soia brasileira (máis de seis millóns de toneladas) e esta individuo quérenos envelenar, así, sinxelamente. Liberou a entrada de 28 agrotóxicos extraordinariamente tóxicos. Rusia, o quinto importador, decidiu que suspendía as compras se non retiraban a medidaRusia, o quinto importador, decidiu que suspendía as compras se non retiraban a medida. Non cómpre ter simpatía polo ditador moscovita para imitar a iniciativa, por saúde corporal loxicamente, pero tamén mental. Na Folha de São Paulo comentan: " Se a Rússia que é mais permissiva com agrotóxicos sinaliza assim, a União Europeia será quase que forçada a seguir. O Brasil não se pode virar as costas ao agronegócio". Xa veremos. |
PRAZA_1160 | RARA AVIS Imputado por prevaricación, tráfico de influenzas e suborno, o alcalde de Fisterra, José Manuel Traba repite de candidato neste municipio costeiro. | Foi moi soada a traxectoria do consistorio de Santiago de Compostela polas aventuras do primeiro alcalde desta lexislatura, Gerardo Conde Roa. Na primavera de 2012 o xuíz Vázquez Taín imputábao por fraude fiscal. En outubro de 2013 foi condenado a dous anos de cárcere pero non ingresou en prisión. Foi unha historia bizarra pero, se me apuran, superada polo concello costeiro de Fisterra. Esta última foi menos mediática, se cadra por non ser a capital de Galicia. En xaneiro de 2011, axentes da Unidade de Delitos Económicos e Fiscais detiñan aos alcaldes de Fisterra, Cee e Mazaricos por tráfico de influencias, prevaricación e suborno. No marco desta operación, a Orquesta, está tamén imputado o alcalde socialista de Corcubión. José Manuel Traba é alcalde de Fisterra desde 2002 e chegou ao poder tras tres anos como edil de cultura. O motivo foi que o seu antecesor, Valentín Castrege, faleceu e houbo que escoller sucesor. Traba tiña, daquela, 36 anos, pouca experiencia política e era o quinto da lista. Pero foi el o designado. Por certo, as eleccións do 2003 foron un tanto misteriosas porque a súa victoria dependeu, directamente, da anulación duns votos da emigración. A victoria no 2003 do alcalde de Fisterra dependeu da anulación duns poucos votos da emigración Collido polos xenitais Canda o alcalde de Fisterra, foron detidos tamén os dous concelleiros Santiago Ínsua Esmorís e Ramón Redonda González. Este último era o responsable de Obras e Urbanismo. Un par de anos antes da súa imputación unha veciña increpouno mentres o edil visitaba uns traballos de alcantarillado. A muller afirmaba estar desgustada porque a obra era cerca da súa propiedade. Nun momento dado, empurrouno e Redonda caeu no borde dunha zanxa, intre no que a muller aproveitou para darlle dúas bofetadas, agarralo polos xenitais e cuestionar a súa valía política. Un dos edís detidos de Fisterra protagonizou un episodio curioso cunha veciña que o abofeteou e o agarrou dos xenitais O Ministerio Fiscal pedía catro anos de cárcere para ela pero, tras a celebración do xuízo, convertéronse en dous e 690 euros de multa. Operación Orquesta A detención destes tres membros do concello de Fisterra enmarcábase na famosa operación Orquesta. Cando o xuíz decretou o levantamento do segredo de sumario en abril de 2011, foise coñecendo o contido dos 10 tomos que conformaban o caso. Do sumario desprendíase que a empresa Ogando tiña as cousas atadas e ben atadas para construír sen competencia en Fisterra e tamén en Cee e Mazaricos. As conversas intervidas en Fisterra eran entre técnicos municipais e da empresa e non deixaban lugar a moitas dúbidas. Así, Ogando sempre chegaba ás mesas de contratación coas mellores ofertas porque lle filtraban cales ían ser os puntos máis valorados. Nas conversas de Fisterra, Ogando conseguiu a adxudicación do campo de fútbol de herba artificial sen contar con informes técnicos do concello, segundo se desprendía da documentación (ou da súa inexistencia). Tamén hai conversas do arquitecto de Fisterra con representantes da empresa na mesma dirección que nos casos anteriores. En maio de 2011, os alcaldes de Fisterra, Cee e Mazaricos presentábanse con toda normalidade ás eleccións tras ser detidos poucas semanas antes Un mes despois do levantamento de sumario, en maio de 2011, os alcaldes de Fisterra, Cee e Mazaricos presentábanse, con toda a normalidade do mundo, ás eleccións. Ninguén diría que un par de meses antes estiveran detidos por tráfico de influenzas, prevaricación e suborno. Quen dixo medo? En todo caso, en Fisterra non parecen estar moi preocupados por todo isto. A 106.542 euros ascendía en total o importe dos dous contratos que concedeu a xunta de goberno en 2013 a Ogando. E foi polo mesmo procedemento negociado e sen publicidade, o mesmo polo que xa daquela, levaban dous anos imputados políticos, funcionarios e construtores. En Fisterra non parecen estar moi preocupados por todo isto. A 106.542 euros ascendía en total o importe dos dous contratos que concedeu a xunta de goberno en 2013 a Ogando Total, que no concello de Fisterra, as contratacións a dedo seguen sendo igual de escuras. A quen tampouco parece preocuparlle moito é ao comité electoral do PP da Coruña que para estas eleccións volveu designar a Traba como candidato. A imputación segue en pé, as contratacións igual de fraudulentas e os do PP, igual de convencidos en que o alcalde é unha boa aposta. Conde Roa, polo menos, dimitiu e puxo Alemaña como destino final. Por iso, era un pobre aprendiz en comparación con José Manuel Traba. |
NOS_13671 | Un concerto e unha exposición pretenden divulgar a importancia da figura | A Associaçom José Afonso – Galiza (AJA-Galiza) presentou a programación "Abril em Dezembro. Cantos ao fío da Revoluçom dos Cravos" que desenvolverá durante este mes cun concerto e cunha exposición sobre Zeca Afonso. Na rolda de prensa interviron Odilo G. Carnero, en representación da AJA-Galiza; Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo; e Xurxo Couto, responsábel de Cultura na Deputación da Coruña. O concerto terá lugar no pazo de Rianxiño ou no Auditorio municipal de Rianxo en función das condicións meteorolóxicas e contará coa interpretación de temas do repertorio de José Afonso por parte dos músicos Tiago Fernandes e Jasper. Este evento será o domingo 13 de decembro en sesión vermú, ás 12 horas, e emitirase por streaming. As persoas que desexen asistir en directo, deberán rexistrarse na web da AJA xa que as prazas son limitadas polas medidas de prevención da pandemia. Ademais, a Associaçom José Afonso instalou en Rianxo a exposición didáctica José Afonso, Geografias de uma vida, con fotografías, documentos e textos informativos. Esta mostra pode visitarse a partir do 9 de decembro na Casa da Cultura de Rianxo, situada na praza de Castelao, con entrada de balde. A mostra fai parte do traballo da AJA para difundir a obra do Zeca na Galiza e foi concibida como unha primeira aproximación que busca comprender a súa vida e as influencias musicais e reivindicativas do seu periplo de Aveiro a Angola e Mozambique (África) e de Belmonte a Coimbra e Setúbal (Portugal). Os paneis desta mostra, que xa visitaron diversas vilas e cidades de Portugal, chegan a Rianxo. |
PRAZA_19511 | A comunidade educativa volve mobilizarse contra a Lei Wert e os recortes nunha convocatoria de paro secundada polas dúas grandes plataformas que, pola contra, acudiron por separado ás mobilizacións. Galería de imaxes no interior. | A Xunta destina este ano 266 millóns de euros a concertos educativos coa privada Outra folga e importantes manifestacións contra a Lomce. O paro xeral foi importante en Galicia nunha xornada de protesta que, ao contrario que outras mobilizacións parciais das últimas semanas e meses, atinxiu todos os sectores da escola pública: estudantado de infantil á universidade, profesorado e familias. Nesta ocasión, ademais, tanto a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público como a Plataforma En Defensa do Ensino Público coincidiron na convocatoria malia acudir por separado ás mobilizacións. As dúas plataformas convocaron a folga pero acudiron por separado ás mobilizacións Hóuboas en todas as cidades contra ao mediodía. Nelas, sobre todo estudantes, pero tamén docentes e pais e nais, clamaron pola "derrogación" da coñecida como Lei Wert despois de que o Goberno de España e o Ministerio de Educación xa accedesen a non aplicala en todos os seus termos e mais polo fin do modelo "3+2" -tres anos de grao, dous de máster- na universidade. Xunto a estas reivindicacións, tamén a esixencia de convocatoria da oferta pública de emprego que remedie "os recortes" de persoal dos últimos anos e máis garantías de equidade no acceso á educación por vías como o incremento das bolsas. UGT cifra o seguimento da folga por parte do profesorado no 63% mentres que a Xunta redúceo a menos do 12% O seguimento da folga, no entanto, foi escaso ou exitoso segundo os datos achegados polos sindicatos e organizacións estudantís ou pola Consellería de Educación. Mentres a Xunta asegura que menos do 12% dos docentes acudiu á folga nos centros públicos e un escaso 0,4% nos concertados, UGT elevou a participación ao 63% dos profesores. En canto ao alumnado, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e Erguer cifraron en entre o 80% e o 90% o seguimento do paro xeral. Nas mobilizacións, as da Plataforma Galega foron lideradas por pancartas nas que se podía ler Non á Lomce! Lei Galega de Educación. Nelas, insistiuse nas reivindicacións e, tal e como dixo Anxo Louzao, secreario nacional de CIG-Ensino, na petición á Xunta para que "deixe de actuar como un boneco e unha comparsa" co Goberno central. Nas da Plataforma en Defensa do Ensino Público, reivindicáronse practicamente as mesmas cousas e, como dixo unha das voceiras, Paula Rodríguez, reclamouse o impulso a un "pacto educativo, social e político consensuado", un acordo do que, polo momento, tanto unhas organizacións como outras recean. Sexa como for, a división da protesta contra a Lomce en dúas manifestacións deuse en todas as cidades galegas onde a comunidade educativa saíu á rúa. Ante esta situación, a plataforma Folga 9M, asembleas de alumnos, portaron pancartas durante o percorrido da marcha en Compostela esixindo un movemento estudantil "que non siga intereses partidistas". |
NOS_16247 | Fican inhabilitados para o exercicio de ningún cargo público durante 7 anos. | A Xustiza condena as membros do PP de Carnota José Oreiro e Marisol Piñeiro, alcalde e tenente de alcalde do Concello de Carnota, respectivamente, desde 2007 ata 2011, por un delito de prevaricación administrativa en contratos de traballo asinados durante o seu mandato. Ao facerse firme a sentenza, quedarán inhabilitados para o exercicio de ningún cargo público durante 7 anos. O BNG de Carnota, que vén de informar desta notificación do xulgado e que exerceu a acusación popular neste preito, non pode por lei esixir aos condenados a indemnización compensatoria polo prexuízo causado por este ilícito ás arcas municipais, estimado en máis de 170.000 euros. Por iso, pide ao actual Goberno municipal que "exixa aos ex-mandatarios que restitúan solidariamente o dano económico causado á veciñanza de Carnota, e que eses cartos se destinen a atender as necesidades sociais nun momento que está a ser moi duro para a veciñanza." |
NOS_28156 | É o candidato que apoian na Coruña Esquerda Unida e Anova, mais o seu discurso vai máis nunha onda Podemos. | Xulio Ferreiro ten 40 anos e é profesor titular de Dereito Procesal da UDC e maxistrado suplente na Audiencia Provincial de Lugo, praza á que renuncia para concorrer ás eleccións. É de facto o cabeza de lista de Marea Atlántica na Coruña nun proceso de primarias en que non vai ter rival para ser nominado como candidato á Alcaldía. A súa elección, explicaron fontes da Marea, é por "consenso", despois de que os partidos que apoian esta plataforma -EU, Anova, Podemos, Compromiso por Galicia, Equo- renunciasen a competiren polo número un da candidatura. Si haberá primarias para a escolla do número 2 para abaixo na lista. Iranse realizar na fin de semana do 7 ao 8 de marzo. Ferreiro concorrerá ao proceso de forma simbólica: aínda que non ten rival, as persoas que participen na votación do cabeza de lista si poderán votar en branco. Ferreiro concorrerá ás primarias de forma simbólica: aínda que non ten rival, as persoas que participen na votación do cabeza de lista si poderán votar en branco Esta quinta feira, nun primeiro encontro coa imprensa, Ferreiro puxo en valor a súa condición de "candidato de consenso" e explicou que non terá que competir con ninguén para ser cabeza de lista porque na Marea Atlántica "non hai sector crítico". Xa nunha entrevista coa canle televisiva de La Voz de Galicia, Ferreiro declarou que Marea Atlántica visa facer política para o "99%". Interpelado sobre a súa definición ideolóxica, o candidato da Marea esclareceu que "non somos nen de esquerdas nen de dereitas", o discurso bandeira de Podemos. O marco no que se move é o da "democracia, a ética e a vida digna para os cidadáns", suficientemente aberto para que "moitos e moitas podan sentirse integrados". No encontro coa imprensa, abriu a billa a un hipotético pacto post-eleitoral co PSOE, mais sempre condicionado a que o partido socialista decida rachar "coas políticas da Troika". |
NOS_43542 | Nunha segunda reunión con asociacións da hostalaría e o turismo a Administración galega anunciou axudas por valor de 50 millóns de euros adicionais. No Estado español activouse a primeira demanda por danos na hostalaría causados pola Covid-19. | A segunda reunión entre a Xunta da Galiza, algunhas asociacións da hostalaría galega e o clúster de Turismo rematou esta sexta feira coa nova de que o plan proposto pola Administración galega para a hostalaría estará incluído dentro das axudas a autónomas e autónomos así como a microempresas e non sairá até o mes de febreiro. O importe anunciado que se destinará será "dun mínimo de 50 millóns de euros adicionais, que se suman aos 86,2 millóns da primeira convocatoria", explican nun comunicado. Ao remate da reunión, representantes da hostalaría insistiron en que están a pasar unha situación "moi difícil" polo que demandaron un acordo entre todas as Administracións para que as axudas cheguen ao sector. Entre as peticións que formularon foi a de unificar ferramentas e resolver incidencias na distribución das axudas. "Erros como que, por ter aprazados pagos á Seguridade Social, o sistema informático detectábaos como debedores e denegáballes as subvencións", explica César Ballesteros, da Hostalaría de Pontevedra. O BNG urxe o rescate da hostalaría As asociacións da hostalaría e o clúster do turismo mantiveron antes un encontro co BNG. A súa portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao remate "un plan coordinado e negociado con concellos e deputacións no que cada unha das tres administracións achegue o mesmo esforzo orzamentario". Desde a formación nacionalista ofreceron "toda a colaboración do BNG para botar unha man a favor da xente que o está pasando mal". Pontón pediu que este plan de rescate para a hostalaría, o comercio e o turismo "debe ter por obxecto compensar até 70% da perda de ingresos mensuais, aplicábel todo o tempo que duren as limitacións". Demanda polos danos na hostalaría en 2020 Máis de 700 hostaleiras e hostaleiros de todo o Estado español sumáronse até agora á demanda colectiva que se presentará a vindeira semana perante o Tribunal Supremo (TS) contra o Goberno español e as administracións autonómicas polos danos soportados polo sector durante o ano 2020, que estiman nun total de 55 millóns de euros. O grupo que prepara a demanda puxo como data límite para sumarse o día 14 de marzo de 2021, o aniversario do estado de alarma. A indemnización que solicitan é a equivalente a 75% das perdas de 2020. O fundamento para que sexa esta cifra está relacionado coa porcentaxe que tivo en conta a Administración alemá por este mesmo motivo. A demanda colectiva está aberta, tamén, aos negocios que xa fecharon como consecuencia da pandemia. |
QUEPASA_446 | A Xunta non descarta ampliar o toque de queda se o goberno central modifica o Decreto do Estado de Alarma O deporte federado autonómico terá que suspender as competicións. Pendente queda o comezo da Preferente (na que Xallas e Sofán ían empezar o 31 de xaneiro) e das Ligas Galegas de Base (nas que compiten 3 equipos do Dumbría) | Este luns, a reunión do Comité Clínico determinou a incorporación doutra boa tanda de concellos á lista dos que sofren o nivel máximo de restricións. Entre eles os A Laracha, Cabana, Coristanco, Dumbría e Muxía, que se unen aos Carballo, Cee, Camariñas, Laxe e Vimianzo. Máis de media comarca queda pois en nivel máximo de alarma sanitaria, con peches perimetrais individuais, coa hostalería aberta só na terraza ao 50% e ata as 18:00h. A día de hoxe son un total de 781 novos casos confirmados nos últimos 14 días nos 19 #concellosQPC, cunha taxa media de incidencia xa de 600 novos casos por cada 100.000 habitantes. Centros de ensino A análise dos centros escolares é complexa. Estes días xa se está notando o efecto do Nadal, e se o pasado día 10 apenas se contabilizaban 47 novos positivos, os datos deste 16 de xaneiro xa deixan 82 casos e 3 aulas pechadas. Non son máis que hai xusto un mes, polo que non se contempla restricións nos centros escolares. Concello Centro Total Positivos Aulas Pechadas CABANA CPI As Revoltas 1 0 CAMARIÑAS CEIP Ponte do Porto 8 0 CAMARIÑAS IES Plurilingüe Pedra da Aguia 2 0 CAMARIÑAS CEIP O Areal 3 0 CARBALLO IES Alfredo Brañas 5 0 CARBALLO CPR Artai 4 0 CARBALLO CEIP Bergantiños 2 0 CARBALLO CEIP Fogar 2 0 CARBALLO CEIP Plurilingüe A Cristina 1 0 CARBALLO IES Monte Neme 3 0 CEE E.I. Municipal Vila da Xunqueira 1 1 CEE CEIP Plurilingüe Eugenio López 1 0 CEE IES Fernando Blanco 1 0 CEE IES Agra Raices 5 0 CORISTANCO CEIP de Bormoio-Agualada 1 0 CORISTANCO EFAG Fonteboa 2 0 CORISTANCO CEIP Canosa-Rus 5 0 FISTERRA CEIP Areouta 1 0 LAXE CPI Plurilingüe Cabo da Area 3 1 LAXE EEI de Traba 1 0 LARACHA EI A Laracha 1 1 LARACHA CEIP Ramón Otero Pedrayo 8 0 LARACHA ES Agra de Leborís 3 0 MALPICA IES Urbano Lugrís 1 0 MAZARICOS CPI Plurilingüe da Picota 1 0 MUROS IES Plurilingüe Fontexería 2 0 MUXÍA CEIP Virxe da Barca 1 0 MUXÍA IES Ramón Caamaño 1 0 PONTECESO IES Eduardo Pondal 1 0 PONTECESO CEIP Eduardo Pondal 1 0 VIMIANZO CEIP Plurilingüe San Vicenzo 1 0 VIMIANZO EEI de Carnés 1 0 VIMIANZO IES Terra de Soneira 5 0 VIMIANZO CEIP Baíñas 2 0 ZAS IES Maximino Romero de Lema 1 0 TOTAL 82 3 Máis artigos sobre o covid 18-01-2021: COVID: Preocupación en Carballo ante o novo gromo na Residencia DomusVi. 17-01-2021: COVID: O Sergas fará esta semana un cribado masivo de 6.000 persoas en Camariñas e Vimianzo. 14-01-2021: Vimianzo pon o foco… nos clubs. 13-01-2021: COVID: Carballo, Cee, Camariñas, Laxe e Vimianzo, no nivel máximo de restricións / Chegan as primeiras vacinas ao HVdX. 13-01-2021: COVID: Vimianzo pon o foco nos bares. 12-01-2021: COVID: A Xunta limita a mobilidade en todos os Concellos e obriga a pechar a hostalería ás 18:00h. 11-01-2021: COVID: As cifras sinalan un aumento do 40% nos novos positivos na última semana . 07-01-2021: COVID: A tendencia volve ser á alza. 04-01-2020: COVID: Vimianzo non se libra e Carnota recupera a mobilidade. 29-12-2020: COVID: 9 concellos, tralo peche de Carnota e Muros, rematan o ano con especiais restricións. 28-12-2020: COVID: Vimianzo, Xallas e Fisterra, as zonas onde se manteñen o virus. 22-12-2020: COVID: O Plan de Nadal inclúe excepcións entre o 23 e o 25. 16-12-2020: COVID: Santa Comba, Mazaricos, Carnota, e Fisterra pasan ao nivel medio-alto de restrición. 15-12-2020: COVID: 9 do 10 positivos do IES de Fisterra son usuarios de autobús. 14-12-2020: SERGAS fai un novo cribado en Camariñas, Mazaricos e Santa Comba 11-12-2020: COVID: Camariñas e Zas entran no peche perimetral de Vimianzo; A Laracha, Cabana e Malpica relaxan restricións. 10-12-2020: Preocupan os gromos no IESP Pedra da Aguia e no IES Fin do Camiño. 10-12-2020: COVID: "Vasos comunicantes" de norte a sur. 06-12-2020: Coa do IES Pedra da Aguia, son 6 as aulas pechadas por covid na comarca. 04-12-2020: COVID: As cifras de Bergantiños iguálanse ás do resto da Costa da Morte. 02-12-2020: COVID: Como afecta a nova "desescalada" e a reapertura progresiva da hostalería na Costa. 01-12-2020: COVID: Así está a situación do coronavirus na Costa da Morte. |
PRAZA_19720 | ENTREVISTA O novo presidente da RAG reflexiona sobre os desafíos da institución, sitúa a xente nova como "a clave da batalla" pola normalización e nega que haxa enfrontamento interno: "Non hai confrontación, senón algunhas discrepancias e mesmo cuestións persoais" | Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951) insiste en reclamar unidade e "integración de vontades" para afrontar o seu mandato á fronte da Real Academia Galega. Elixido o pasado martes cos votos a favor de 18 dos 19 presentes no plenario, recoñece que lle molestou a ausencia dos académicos críticos pero resta importancia ao que considera "discrepancias" e para nada "confrontación" dentro da entidade. Nesta entrevista analiza os desafíos máis urxentes da RAG, insiste moito nas "novas xeracións" -que cre que son "a clave da batalla" pola normalización e dignificación do idioma- e defende a vía xudicial que a institución tomou contra o decreto do plurilingüismo: "Non había outra opción". Reivindicou o "continuísmo" nada máis saír elixido presidente da Academia. Por que? Porque a equipa directiva anterior foi xenerosa, eficaz, fortaleceu cousas e apuntalou outras que xa viñan de antes. Non rachou con nada, enriqueceu o que había e nós debemos continuar a enriquecer o que hai e a incorporar, na medida do posible, novas cousas. "Creo que o clima na RAG é de convivencia e de respecto; debemos fortalecer a unidade para que curen os resentimentos que hai" Que é o máis urxente? Deixando fóra o máis inmediato, que é a celebración das Letras Galegas, cara a dentro temos que continuar facendo o esforzo de integración de vontades e de crear, desde a discrepancia democrática e lóxica, un clima de respecto mutuo para que a Academia cumpra co seu labor fundamental. Ese bo clima xa avanzou moito nos últimos tempos, pero ás veces prodúcense chispazos, sobre todo en momentos de encrucillada coma estes da elección de presidente. Parece que se axita moito todo, pero honestamente creo que o clima é de convivencia e de respecto e debemos continuar así, facendo camiño xuntos e fortalecendo a unidade de acción para que estes resentimentos vaian curando. Fálase moito da división na Academia, aínda que na votación no plenario non houbo tanta. Home... Foron 18 contra 6. No entanto, as críticas á nova directiva e á anterior son moi duras. Non quero entrar nese tema porque a xente ten dereito a facer as críticas que considere, pero na medida das miñas posibilidades vou intentar manter sempre as portas abertas para a colaboración e o traballo xuntos. Se agora hai reticencias, vaiamos madurando as cousas para mellorar todo. Respecto totalmente aquel que opina diferente. "Non hai confrontación, senón algunhas discrepancias e mesmo cuestións persoais nas que é moi difícil entrar" Falará cos críticos? Ten confianza en que as cousas muden? Claro que falaremos porque son académicos coma min, pero lembremos que nos últimos catro anos, o 90% ou máis das decisións tomadas na Academia foron por unanimidade. Logo hai tamén moito espectáculo mediático, esa tendencia á información da confrontación porque parece que se non hai confrontación non hai noticia ou interese. Estamos todos enganchados a esa cultura da confrontación pero logo, se analizas a fondo, decátaste de que non hai tal enfrontamento, senón algunhas discrepancias e mesmo cuestións persoais nas que é moi difícil entrar. Deámoslle un voto de confianza ao novo presidente e avancemos, que é o que estou pedindo eu. Dentro de catro anos, fagamos balance do que acadamos e do que non. Doeulle que os críticos non acudisen ao plenario no que se votaba a súa candidatura? Sempre dixen que calquera académico podería ser presidente e teño un enorme respecto polo labor de todos, tamén por esas seis persoas que non acudiron ao plenario. Teríame gustado que estivesen presentes aínda que fose criticando e votando en contra. Nunha entidade democrática, deféndese o que se pensa, debátese e cadaquén amosa a súa opinión. "Debemos traballar na proxección social, dignificación e estima da lingua e aí é clave a comunicación" Falou no seu discurso ante ese plenario dos seus principais desafíos como presidente. Que é o máis urxente que debe facer a Academia pola lingua galega? O máis importante para min é que a lingua é dos falantes, dos galegos e das galegas e non dun grupo nin da Academia. O idioma é da sociedade e temos que mirar cara a ela. A RAG debe ter dúas vías de traballo fundamentais: continuar no servizo científico, no coidado, estudo e modernización permanente da lingua; pero tamén na proxección social, dignificación e estima social da lingua. Esta última é a dimensión política da Academia, pero non partidaria nin ideolóxica, senón a auténtica. Esta dimensión social hai que potenciala, sobre todo a través de algo no que creo que podemos traballar máis: a comunicación. Como? As novas tecnoloxías da comunicación permiten unha relación activa coa sociedade, sobre todo coas novas xeracións, que é algo que a min me interesa moito. Os meus alumnos en Xornalismo dicíanme o outro día, logo de que fose elixido, que vían a figura do presidente da Academia como algo moi distante deles, moi alá arriba... Parécelles que te vistes de Rosalía de Castro ou Castelao, e iso está moi ben, pero temos que ser capaces de conectar coas novas xeracións, facelas partícipes da estima e do valor que significa ter un idioma e ademais respectalo, usalo, movelo... "Oxalá puidésemos facer a política lingüística; equivocaríamonos en moitas cousas pero outras non as faríamos como se están facendo" Pero o galego perde falantes entre a mocidade... É grave que estes mozos, que nun 90% falan e escriben en galego nas aulas, logo non se socialicen en galego. Aí é onde temos que afondar, saber que está pasando e como podemos corrixilo. Pero lembremos que a RAG non é a Secretaría Xeral de Política Lingüística nin o brazo executivo do Goberno. Oxalá nós puidésemos facer a política lingüística, porque nos equivocaríamonos en moitas cousas pero outras non as faríamos como se están facendo. Temos que ser capaces de orientar, estimular e crear conciencia de por onde cremos que deben ir as cousas... E por suposto, denunciar cando creamos que hai que denunciar aquelas actitudes ou actuacións que atenten ou que non permitan avanzar na normalización e dignificación da lingua, pero tamén temos que crear tamén espazos de encontro e de diálogo político, insitucional e xeracional. "A xente nova é a clave da batalla; a RAG debe renovarse permanentemente" Ve na mocidade a clave para o futuro do galego? Preocúpame moito a xente nova porque aí está a clave da batalla. Esta é unha prioridade que a través da comunicación, das novas tecnoloxías, das redes sociais ou de diferentes iniciativas se pode abordar. Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre levan tempo traballando nisto e poden enriquecer moito, poden achegar osíxeno. A RAG ten máis de cen anos detrás, pero debe renovarse permanentemente, temos que irnos renovando e iso non se fai en pouco tempo. Estes son os principais desafíos. "A Academia está en permanente busca de recursos; non hai estabilidade orzamentaria suficiente para os seus traballos" Que outros propósitos, xa máis concretos, ten a Academia? Igual non o consigo, pero eu comprometinme a que neste mandato teñamos a gramática normativa, que está pendente case desde Murguía. Algo que tamén me preocupa moito é a estabilidade orzamentaria. A Academia está en permanente estado de busca e necesidade de recursos económicos, non hai estabilidade suficiente para os traballos da institución. E lembremos que aquí os académicos non cobramos nada e nunca se cobrou, pero hai uns traballadores e uns equipos de investigación aos que hai que garantirlles a dignidade do seu traballo. Moita xente di que Academia non fai moitas cousas e eu preguntaríalles que recursos achegan para que se fagan máis cousas. E iso non quere dicir non pedir responsabilidades, todo o contrario. Tamén por isto é moi necesaria a transparencia da entidade, tanto interna como cara á sociedade. Se pedimos que eses recursos veñan de estamentos institucionais ou de empresas ou entidades, temos que dar conta permanente de onde se invisten os cartos. Fala tamén no seu programa do galego do exterior... Debemos fortalecer o galego exterior, tanto o fronteirizo como o desa Galicia que anda polo mundo adiante. A Galicia de Xenebra, a de Bos Aires, a de Montevideo... A Academia ten que estar conectada con ela. Como? Pois hai que reflexionalo e traballalo, pero haino que facer. "A decisión de levar o decreto do plurilingüismo á Xustiza foi correcta; aquilo foi un erro político, un paso atrás innecesario" A RAG levou o decreto do plurlinguïsmo á Xustiza e esgotou esa vía chegando mesmo a Estrasburgo, cre que foi unha boa decisión? Foi a decisión correcta e foi positiva, non había outra opción. Ese decreto foi un erro político e un paso atrás absolutamente innecesario, resultado de conveniencias políticas nun momento determinado para rabuñar dous ou tres mil votos. Xa llo dixen ao presidente Feijóo persoalmente. Os xogos políticos son os que son e alá eles, pero aquilo fíxolle moito dano á lingua e a Academia claro que tiña que acudir á Xustiza e acudir até o final. O ditame final dos Tribunal de Estrasburgo foi salomónico, de lavarse as mans para non entrar no tema. A Academia advertiu de que lanzaría unha proposta para minguar os efectos negativos do decreto e propor outro modelo. Está disposto a facelo? Se houbese algunha posibilidade de tratar o tema, de sentar a falar disto e abrir unha nova vía, eu serei o primeiro en apoialo. "Se hai algunha posibilidade de abrir unha nova vía alternativa ao decreto, serei o primeiro en apoiala; vouno intentar" Cre que é posible convencer a Xunta para unha mudanza? Vouno intentar. A política forma parte da sociedade e a sociedade ten sectores moi intransixentes, pero tamén xente moi comprensiva que sabe que calquera pacto é mellor que un conflito continuo. Hai que entenderse e falar pero con lealdade á lingua galega e analizando os problemas que ten. Nós non queremos nin podemos impoñer a lingua a ninguén, pero si que se respecte este patrimonio e riqueza que supón ter un país con lingua propia, algo que ocorre en moi poucos sitios do mundo. Non parece que se teña moi en conta iso na Administración... Temos unha lingua culta e desenvolvida que produce literatura, que produce marca de identidade, produtos culturais, audiovisiuais... A lingua é a representación simbólica dun país e iso téñeno que saber os galegos e as galegas, pero teñen que sabelo tamén os responsables da Administración pública e o Goberno deste país. "Aquela campaña de 2009 foi unha manipulación política do galego; moitos dos que colaboraron con ela son conscientes do mal que fixeron" Non cre que os prexuízos que se verteron sobre o galego na batalla política fixeron demasiado dano á lingua? Aquela campaña electoral de 2009 foi unha manipulación política do galego. Atrévome a dicir que moitos dos que colaboraron naquela manipulación logo foron conscientes do mal que fixeron. Apañaron aqueles votos, pero tampouco contentaron eses sectores ultraminoritarios da sociedade galega. Porque lembremos que a sociedade galega non ve a lingua como un conflito, para nada. O que quere a sociedade é dignidade e respecto para o seu idioma e para aqueles que o falen, así como crear espazos de afecto onde atoparnos todos arredor del. "A sociedade galega non ve a lingua como un conflito, só quere dignidade e respecto para ela" Pero logo é case imposible atopar unha aula de Infantil nunha cidade na que o galego sexa maioritario. É unha odisea escolarizar un rapaciño na lingua propia... Aí é onde o Goberno ten que actuar. Iso hai que traballalo e falalo. Quero crer que hai boa vontade desde a Administración e teño que dar un voto de confianza. A miña primeira solicitude de entrevista será co presidente da Xunta e logo ireime reunindo con outras institucións. Non se fará da noite á mañá, pero estou seguro de que poderemos conseguir algo positivo e teño confianza en que se logrará. Adoita falar moito tamén da necesidade de espazos afectivos para o galego. Falta cariño para seducir a sociedade cara á lingua propia? Temos que atopar espazos de relación, de cariño onde co galego descubramos o mundo, un universo que é noso. Cando escoitas os rapaciños do Colexio Apóstol de Bos Aires falar en galego entre eles cun sorriso na cara, presumindo de algo que non teñen os outros... Esa é a alegría que vai socializando as persoas arredor do galego. Niso é no que temos que traballar porque as discrepancias que teñamos son o de menos. Esas seis persoas que se ausentaron na votación da miña candidatura no plenario comparten isto mesmo, diso estou convencido. Ata esa persoa que votou en contra sei quen é. Molestoulle ese único voto en contra? Non, porque sei quen foi e é amigo meu. Non direi o nome, pero este amigo meu sabe que as aclamacións por unanimidade non son boas. "Non me gusta a palabra lusista porque eu non son lusista, son galego" Daquela, cre que votou en contra só para que non houbese unanimidade? Como sei quen é, creo que si. Que papel xogará a lusofonía no seu mandato á fronte da Academia? Este é un debate que hai que ter cordial e relaxadamente. Eu creo que a lingua galega forma parte dunha gran familia que é a galega-luso-brasileira, incluíndo tamén as nacións africanas. Esa é unha realidade que non se pode discutir. A min non me gusta a palabra lusista porque eu non son lusista, son galego. Temos que afondar nas relacións, fortalecer as vías de contacto con institucións académicas, culturais, literarias e dos medios de comunicación dese mundo lusófono. Tamén entendo, como xa dixen, que o galego é dos falantes e temos que escoitar a eses falantes e non facer fórmulas en tubos de ensaio que están destinadas ao fracaso. Non nos poñamos de redentores a explicarlle á xente como é o mundo porque o mundo é como a xente quere que sexa. |
PRAZA_13999 | O BNG instou á Xunta a impugnar o decreto que o Goberno central aprobará o venres, que segundo os nacionalistas imporá unha quita do 60% para os tenedores de participacións preferentes. Acusou, así mesmo, ao PP de "marear" coa arbitraxe. | O BNG instou á Xunta este mércores a impugnar o decreto sobre preferentes que o Goberno central aprobará o venres, que segundo os nacionalistas imporá unha quita do 60% para os tenedores de participacións preferentes. Ao igual que antes fixera a socialista María Xosé Caride, Carlos Aymerich rexeitou que "se impoña unha quita obrigatoria", e engadiu que o Goberno central creou ao redor deste tema unha "cerimonia da confusión" pois "dende o 20 de xullo, cando asinou o memorando que fixa as condicións do rescate bancario sabe perfectamente o que vai pasar". Os nacionalistas calculan que se unha persoa puxo 100.000 euros en preferentes, e estas sofren a quita do 60 ou 65% esixida por Europa, cunha prima máxima do 10%, o máximo que recibirá serán "40 ou 44 mil euros" Os nacionalistas calculan que se unha persoa puxo 100.000 euros en preferentes, e estas sofren a quita do 60 ou 65% esixida por Europa, cunha prima máxima do 10%, o máximo que recibirá serán "40 ou 44 mil euros". O Bloque pediu tamén que o FROB utilice a súa maioría no consello de administración de Novagalicia para que a entidade "non conteste á demanda da Fiscalía", o que permitiría "unha sentenza de conformidade que solucionaría a inmensa maioría dos casos". Neste senso, acusou ao PP de "marear" coa súa proposta de arbitraxe. Ademais, acusou á Xunta de actuar "en conivencia" co banco para a creación de "negocio para empresas amigas", en referencia á empresa da irmá de Núñez Feijoo e mediante a designación de árbitros funcionarios, que segundo o BNG non son imparciais. Aymerich afirmou que, dado que a estafa das preferentes ten unha orixe "política", coa decisión de permitir a venda destes produtos complexos a clientes minoristas, tamén debe ter unha "solución política". "A Xunta ten que definir de que lado está", concluíu. |
PRAZA_18923 | Na Coruña, Ourense e Ferrol houbo cabalgatas tradicionais, pero adaptadas ás medidas sanitarias. En Vigo, Lugo, Pontevedra ou Santiago os habituais percorridos dinámicos foron substituídos por outro tipo de encontros cos máis pequenos e pequenas. As Súas Maxestades de Oriente tamén visitaron vilas e concellos rurais | Unha ducia de contos para ler coa cativada nas vacaciónsNa Coruña, Ourense e Ferrol houbo cabalgatas tradicionais, pero adaptadas ás medidas sanitariasNin a chuvia que caeu este mércores pola tarde e noite en boa parte de Galicia nin a pandemia de COVID foron quen de deter os Reis Magos, que superando estes obstáculos percorreron as rúas e camiños de todo o país para ledicia dos nenos e nenas que agardaban por eles. As cabalgatas e actividades, iso si, adaptáronse en moitos lugares ás necesarias medidas de prevención, o que levou á organización de eventos moi distintos nunhas e noutras cidades e vilas.Así, na Coruña, Ourense e Ferrol houbo cabalgatas tradicionais, pero adaptadas ás medidas sanitarias. As carrozas percorreron a cidade herculina entre o barrio dos Mallos e a praza de María Pita. En Ferrol o percorrido uniu o barrio de Caranza e o Teatro Jofre. E en Ourense foi dende a Estación da Ponte ata o Xardín do Posío.En Vigo, Lugo, Pontevedra ou Santiago os habituais percorridos dinámicos foron substituídos por outro tipo de encontros cos máis pequenos e pequenasE, en cambio, en Vigo, Lugo, Pontevedra ou Santiago os habituais percorridos dinámicos foron substituídos por outro tipo de encontros cos máis pequenos e pequenas. Por exemplo, en Compostela os Reis levaron a cabo -por segundo ano consecutivo- unha recepción en San Domingos de Bonaval. En Lugo o escenario escollido foi o Auditorio Gustavo Freire, no parque da Milagrosa. En Pontevedra o encontro tivo lugar no Recinto Feiral e en Vigo a cabalgata estática estivo instalada na Avenida de Castelao.Os Reis Magos non ficaron unicamente nas cidades e tamén visitaron as vilas e os concellos rurais de toda GaliciaPor suposto, os Reis Magos non ficaron unicamente nas cidades e tamén visitaron as vilas e os concellos rurais de toda Galicia. Ribadeo, Melide, Curtis, Monforte, Frades, Ames ou Mazaricos foron escenarios de cabalgatas ou de encontros entre as Maxestades de Oriente e os nenos e nenas de cada localidade.Velaquí unha breve mostra en imaxes do percorrido dos Reis Magos este mércores pola tarde por distintos lugares da xeografía galega, no que non faltaron -na maioría de localidades- os habituais caramelos e outros agasallos. |
NOS_37254 | Ángeles Huerta (Gijón, 1974) estreaba 'O corpo aberto' o pasado mes no MotelX de Lisboa. Tras pasar polo Festival de Ourense, proxectouse o pasado 23 de outubro na Seminci de Valladolid. Axiña chegarán máis datas, se ben a estrea en cinemas está prevista para decembro. Mentres agardamos, descubrimos coa cineasta a cerna dun filme absolutamente sensorial que ten como protagonista a Raia, o concepto de límite e a súa volatilidade. | —A literatura foi desde os comezos da arte cinematográfica un dos grandes repertorios de relatos dos que se nutriu o cinema. Que a atrae do Lobosandausde Xosé Luís Méndez Ferrín, recollido en Arraianos, para querer levalo á pantalla?Eu veño da literatura. Estes últimos anos foron unha fuxida da palabra cara á imaxe e penso que no meu cinema nótase esa transición. En principio interesoume porque ten todo do relato gótico clásico. De feito, cando falo con Ferrín en persoa sobre a posibilidade de levalo á pantalla, confirmoume que tiña na cabeza o Drácula de Bram Stoker como modelo. Por outra parte, chamoume a atención a historia de Obdulia, que o achega aos relatos vitorianos. Neles aparecen moitas historias de mulleres fechadas, pois non deixa de ser un símbolo do seu rol na familia, desde as personaxes de Mary Shelley até Rebecca de Daphne du Maurier, que acabou levando ao cinema Hitchcock. Eu quería pór luz tamén sobre iso. O relato de Ferrín posuía un potencial queer e feminista moi contemporáneo. A trama literaria remata antes que o filme, cunha carta na que o mestre, Miguel, lle di a seu tío que nota unha presenza dentro. Daniel Domínguez e mais eu tiñamos tamén esa ansia de saber que pasa despois. Entralle o bicho? É todo unha suxestión? —Menciona Daniel Domínguez fillo, coguionista, pero teño entendido que chegou a el a través de seu pai, que tamén procurara adaptar o relato.Eu falei deste relato nunha entrevista que me fixeron e el escribiume. Despois coincidiu que Sandra Sánchez, montadora e cineasta, coñecía a ambos e púxome en contacto con Daniel pai. Cando falamos díxome: "Mira, tes que escribir co meu fillo, que a el tamén lle van moito esas teorías do xénero e do queer". Mais é de xustiza dicir que hai un personaxe que é de Daniel pai: Clamores, a criada, estaba xa no seu guión como personaxe non binaria. Nós convertémola nunha especie de Aqueronte, que colle da man o mestre e sácao do limbo, que lle axuda en certa maneira a transitar, por exemplo, a primeira noite que a ve a Obdulia berrando na cama. —Como foi o proceso de adaptación a catro mans?Case foron máis mans, porque contamos coa asesoría de Pepe Coira durante todo o proceso, confrontamos cada versión con el. Nutrímonos de moitas cousas. Xa Esquece Monelos o escribín con Antón Núñez. Para min iso é das cousas preciosas que ten o cinema, sempre é un traballo en equipo, hai sitios aos que eu soa nunca chegaría. —É un filme ambicioso. Como foi o proceso de produción? Custou moito levantalo?Foi moi longo. O cinema independente sempre o é, estamos abocados a iso. Tardamos seguramente un ano máis por mor da Covid-19, sumaron cinco en total. Aínda así, o tempo da pandemia sempre estivemos traballando, eu nunca me sentín parada. Non foi unha agonía neste sentido.A produtora Ollovivo (formada por Pepe Coira, Jorge Coira e Garpar Broullón) estaba constituíndose, o propio Gaspar estaba formándose como produtor tras moitos anos nun traballo máis creativo como realizador, montador... Foi un proceso laborioso que serviu para que cocera ben e atopásemos os compañeiros de viaxe máis axeitados. Iso si, gustaríame que a próxima película non leve cinco anos. —Emprégase o escepticismo e a crenza no método científico do mestre, interpretado por Tamar Novas, como unha vía moi efectiva para achegarnos tamén nós, o público contemporáneo, ao esotérico, mais tamén á sociedade da época que nos é hoxe tan distante.Fundamentalmente, a identificación do espectador contemporáneo vén da man do mestre e ten que ver con ese escepticismo, con ese agnosticismo. Ademais, se te decatas, Miguel é un personaxe que observa, pola regaña da porta, a través da fiestra da escola... Coma nós, que estamos sentados na nosa butaca. E pode parecer pasivo, pero é o protagonista absoluto da película porque é o que encarna esa transformación tan brutal, o que realiza esa viaxe tan perigosa e tan real ao mundo das tebras, por dicilo dalgunha maneira. Aféitase diante do espello e non se recoñece. Só consegue facelo unha vez conecta con esa parte máis escura, pero tamén con esa dimensión máis carnal. Iso é o máis aterrador de todo, o que ves no espello. O mundo é algo do que podes fuxir, pero de ti mesmo non. —Interésalle ese conflito entre a razón e o atávico?Non me gusta moito a definición de atávico, porque parece que estamos falando de atrasado, e non quero dar esa visión da Galiza. Xa hai moitos outros discursos en voga e moi loados pola crítica contemporánea que o fan. Para min o que hai aí é un choque entre o mundo secularizado e un mundo que cre nos espíritos, nas ánimas, e pensa que os mortos nunca marchan de todo. Hai un enfrontamento moi claro entre a razón e o desexo, por exemplo, nese diálogo que teñen Obdulia e Miguel no velorio do neno: "Quen non ten medo ve, mestre. E el ten medo. E ao seu medo chámalle ciencia". Para min o fundamental da película é a Raia, o concepto de límite. Que é físico, entre Galiza e Portugal, pero tamén lingüístico, entre o galego e o portugués. E entre os vivos e os mortos. E a conclusión é que ese límite non existe, é ilusorio. Todas as personaxes que habitan en Lobosandaus están atrapadas nese limbo, que alén de físico é temporal. O tempo avanza pero as estacións practicamente non mudan. O tempo é unha sensación do corpo, como dicía Lucrecia Martel. E de aí vén tamén a importancia do son no filme. Porque a imaxe como que nos cega, como que nos atrapa e nos confunde. En cambio o son lévanos a outro sitio. Como cando recordamos ou desexamos, que o corpo está noutro lugar. Sendo o tempo unha percepción do corpo, ese estar no límite líganos unha vez máis ao propio corpo. Esquece Monelos era un filme moi espacial e moi mental. Este é moi sensorial, moi sonoro e moi "desde o corpo". —E como se enfronta daquela o tratamento do son?Con dous profesionais brutais como Diego Staub, no deseño de son, e Mercedes Peón, compositora da banda sonora. Hai momentos nos que non sabes onde comeza o traballo dun e remata o da outra, no senso de que Diego case que se mete nas harmonías e Mercedes constrúe espazos sonoros case ruidistas e ambientais. Fixeron un equipazo. Procuramos pensar a posta en escena desde o sonoro, de maneira que a imaxe non nos condicionase. Intentamos imaxinar un filme que se puidese ver cos ollos fechados e darlle ao son toda a importancia narrativa que ten. Non quero que pareza que desprezo a imaxe, temos unha fotografía marabillosa asinada pola catalá Gina Ferrer e o seu equipo. Pero hai aquí unha concepción moi filosófica que ten que ver coa idea de límite. O suxeito contemporáneo ten como esta ilusión de dominio do mundo a través da mirada, cando é algo moi direccional. Case como a propia ilusión do progreso, que ten a concepción cristiá ou capitalista da historia. En cambio, cando empezas a pensar as cousas desde o son, todo se converte en algo multidimensional, moito máis poliédrico. Non está tan claro o que está diante, o que está detrás, o que está aos lados... Iso aplícalo tamén á temporalidade e á narrativa das historias. E lévate a sitios moito máis ricos. Porque o tempo é unha ilusión do corpo e porque os límites son algo que desborda o espacial. —Outro dos límites é o da identidade de xénero.Como comentaba antes, hai unha personaxe que está no relato de Ferrín que ten unha potencialidade queer impresionante. Lido desde a contemporaneidade lévanos xusto a ese lugar, ao do xénero como unha opción performativa. Obdulia é unha muller encamada, que dun día para outro reclama estar habitada polo espírito de Mauro, o capador, e asume esa identidade. E como as claves de interpretación en Lobosandaus son outras, iso non semella espertar maiores escándalos. É máis a inquedanza polo que vai pasar con Dorinda, unha muller casada [pretendida por Mauro], cando se vai achegando a ela, que non porque sexa unha muller facendo dun home. O mestre, que está fóra, é o único que queda descolocado e escandalizado. Até o cura non lle dá tanta importancia. Hai sistemas se cadra máis arcaicos que teñen resortes culturais que lles permiten integrar comportamentos aberrantes dun modo moito máis natural que culturas ou interpretacións do mundo máis desenvolvidas. E iso está ben, é interesante. Fíxome moita ilusión unha crítica que destacaba o traballo de María Vázquez a respecto disto. Podía ter caído na caricatura desa personaxe. Porén, constrúea desde unha sobriedade e unha sensibilidade absoluta, porque non fai falla revestir o masculino duns ornamentos culturais. Está máis no vínculo e no recoñecemento da outra muller, e no lugar que ocupa na aldea que en certos xestos estereotipados.E despois, insisto, está Clamores, interpretada por Nicolás Otero, que é un actor transexual. É como a personaxe máis sabia, porque todos en Lobosandaus teñen unha concepción do mundo moi ancorada no seu propio imaxinario, no seu propio código. Ela é a que posúe unha consciencia máis clara de estar no límite, hai un coñecemento que vén de ocupar dun modo natural as marxes. Non tematizamos nada que teña que ver con transxénero, non hai ningunha elaboración discursiva sobre o xénero. Pero evidentemente, se o tema principal é o límite, esa cuestión é fundamental. Tampouco pretendemos ignorar a carga cultural e a carga de poder que teñen os xéneros. Cando Obdulia se converte en Mauro, a ollos da aldea, pasa a ocupar unha posición de poder. —Comentaba antes o carácter fluído que ten a lingua no filme. Nótase que se lle prestou bastante atención.Si, con isto fomos moi escrupulosos. Parece mentira que unha situación tan cotiá e secular nestas zonas de fronteira sexa a primeira vez que aparece na pantalla con esta naturalidade. Contamos no equipo con Manuel González, que foi un dos autores do Atlas Lingüístico Galego, e traballamos moito coa xente da zona. Atendemos ao mínimo trazo fonético. Ademais do asesoramento académico e do traballo de campo, existe un nivel de profesionalidade e entrega por parte dos actores moi forte. Fixemos moito traballo de mesa con eles. É certo que no meu método tardamos moito en chegar ao texto. Traballamos o corpo, os vínculos, o movemento... As personaxes desde outros sitios. Antes de chegar ao texto, quería que tivesen igualmente esa formación e esa consciencia lingüística. Foi un labor moi concienciudo porque para nós ía a película nisto. —As localizacións do filme foron Tourém e Pitões, na freguesía de Montalegre, e os concellos de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín, zonas apegadas ao Xurés-Gerês. Como foi a rodaxe na montaña?A única maneira de facer unha película gótica, cunha estética tan forte e cos cartos que tiñamos (que non son poucos para un filme galego, pero si para o nivel de ambición que tiñamos), era empregar escenarios naturais. Toda a rodaxe fíxose durante os meses de novembro e decembro. Foi duro, pero creo que redundou en beneficio da película. Contamos cun equipo moi comprometido e que se soubo adaptar. Existe unha cousa moi máxica nas rodaxes, que leva a unha especie de zona case mística. Todos os membros do equipo temos que entrar nese transo. Se non, non funciona. Polo menos cos medios que temos aquí e coa dificultade de calquera rodaxe. —Ademais dese uso da cámara pegada ao rostro, son recorrentes os planos dos ollos dos animais. Que función desempeñan no universo de Lobosandaus?Ao ser O corpo aberto un filme que fala sobre o poder devastador do desexo, que non hai nada nin ninguén que poida parar, o compoñente animal está aí. Igual que esvaecen os límites entre o masculino e o feminino, entre a Galiza e Portugal, entre os vivos e os mortos, tamén o fan entre o humano e o animal. Logo está o tema das abellas, que é máis atmosférico. Mercedes tamén o usa moito nas súas composicións. Nese caso ten que ver coa morte, con esa danza do abellón que está perdida, pero documentada nos velorios. Remite á presenza da morte, esoutra dimensión que non é tanto un máis alá senón esa presenza que nos acompaña. Nese senso, a cultura non secularizada ten unha relación máis sa coa natureza do humano. Todo ten que ver co mesmo, o filme fala do ilusorio dos límites que definen as nosas identidades: políticas, lingüísticas, de xénero... Mesmo esta relación entre a vida e a morte. |
NOS_19200 | Inditex aposta en estender nas súas tendas galegas as máquinas de autocobro, co que a multinacional aforra cartos a costa de evitar a contratación do persoal necesario, co conseguinte deterioro das condicións laborais. Unha campaña da CIG denuncia esta situación e chama a mobilizarse. | Nas tendas de Zara e Lefties do Centro Comercial Marineda, na Coruña, Inditex implantou 14 caixas de autocobro. Caixas onde "a multinacional utiliza as clientas para que fagan as funcións das traballadoras autocobrándose e autoembolsándose e mesmo desalarmando as prendas co único obxectivo de aforrar cartos na contratación de persoal", explica Carmiña Naveiro, representante da CIG no comité de empresa de Zara España S.A. É vergoñento que unha empresa que obtén miles de millóns en beneficios utilice as máquinas para suplantar ás traballadoras antepoñendo os seus intereses económicos á saúde e seguridade do persoal" Así, Inditex afórrase ter que contratar máis persoal e iso ten consecuencias: engordará a conta de beneficios mais tamén, engade Naveiro, impide "frear o deterioro das condicións laborais". "É vergoñento que unha empresa que obtén miles de millóns en beneficios utilice as máquinas para suplantar as traballadoras antepoñendo os seus intereses económicos á saúde e seguridade do persoal". Por iso, informan desde a CIG, o persoal pide á clientela que faga o seu pagamento nas caixas de sempre, onde atenden caixeiras e que "pense primeiro nos postos de traballo que se perden a conta da nosa precariedade e da perda de postos de traballo no futuro". Saúde e seguridade laboral Nesta mesma liña, a central nacionalista lembra que leva varios anos demandando que Inditex incremente o persoal indefinido nas tendas Lefties, porque o que hai actualmente é insuficiente. "Tal é así que nos sucesivos estudos psicosociais realizados entre as traballadoras, os resultados constatan que cada vez a situación é peor". Este exceso de carga de traballo "tanto física como psíquica repercute na saúde e na seguridade de todo o persoal". Carmiña Naveiro lembra que, a instancias da central sindical, a finais do ano pasado repartíronse nas tendas Lefties da provincia da Coruña as enquisas para detectar os riscos psicosociais nas tendas. "O último estudo descubriu que a situación non só seguía igual, senón que mesmo o risco era moito máis elevado", explica. O sindicato inicia mobilizacións, logo de ter desenvolvido nos meses previos ao verán unha campaña informativa e de sensibilización. A primeira terá lugar a quinta feira 27 de setembro, ás 12:00 horas, na entrada principal do Centro Comercial As Cancelas, en Santiago de Compostela. |
PRAZA_2261 | Xabier Díaz, xunto as Adufeiras de Salitre, vén de publicar o seu novo disco en solitario: The Tambourine man. Un chamamento ao seu xeito, como a canción de Bob Dylan. Unha entrevista de Alberto Ramos. | VÍDEO: Cantiga da montaña, primeiro single do disco Xabier Díaz, xunto as Adufeiras de Salitre, vén de publicar o seu novo disco en solitario: The Tambourine man. Este disco, para Díaz, supón unha sorte de regreso as súas orixes ao tempo que un punto de inflexión na súa carreira. É volver aos anos de investigación, de traballos de campo, de descuberta e de colleita. Tamén á orixe mesma da nosa música tradicional. "No principio de todo foi a percusión a que construíu a nosa música popular, e seguramente a que estableceu o vínculo entre esta e o baile. O máis singular deste proxecto é que regresamos outra vez ao principio de todo", resume Xabier Díaz un disco no que reúne -xunto as Adufeiras e a participación de Gutier Álvarez (zanfona e violino) e Javier Álvarez (acordeón diatónico)- un total de once cancións tradicionais e no que a percusión xoga un papel central. O regreso é, polo tanto, unha palabra clave. Mais ningún retorno ten sentido se non serve para transitar tamén por novos camiños. Por iso Díaz lembra que este disco está feito dende "o século XXI". Ademais, este The tambourine man é -ao seu xeito e ao igual que a canción de Bob Dylan- un chamamento. "Interésame moito facer unha chamada a outras tribos e outros mundos, para que se acheguen a este disco e escoiten este mundo. Moitas veces vivimos de costas, coma se fósemos tribos afastadas: os indies por alá, os tradicionais por aló, os roqueiros pola outra parte", sinala o artista. O chamamento chega agora en forma de disco, pero moi pronto tamén se escoitará en directo. O vindeiro 16 de outubro no Teatro Rosalía da Coruña, Xabier Díaz abrirá unha xira que, entre outros lugares, chegará o 4 de decembro á Sala Galileo de Madrid e o 5 de decembro á Sala Tradicionàrius de Barcelona. O disco ábrese cunha cita de Cabanillas: "Todo amor cabe folgadamente nunha copla." Parte dos textos do disco proceden do Cancioneiro popular galego, que é unha escolma con unha visión tremendamente poética. É un cancioneiro un chisco diferenciado precisamente por iso. De feito, hai sospeita ou mesmo certeza, de que o propio autor tamizou parte dos textos, foi un chisco intervencionista. A cita paréceme sintética, preciosa, poética e resulta un resumo perfecto para o disco. No libreto do disco inclúese, ao carón das letras das once cancións que o compoñen, a historia de onde as escoitou por vez primeira, de onde proceden, como se achegou a elas... Resúmese neste disco dalgún xeito todo ese traballo de campo que realizou ao longo dos anos? Comecei a facer traballos de campo no ano 1989 e desenvolvín a maior parte desa actividade nos noventa e a comezos de século. Creo que teño o computador cheo de carpetas de seleccións de cancións. Se cadra hai 400 horas de gravacións. Entón, desa primeira escolma máis basta, comecei a traballar con diferentes materiais e a procedencia da maior parte das pezas é do meu arquivo. Quizais por unha cuestión emocional. Son temas cos que traballei, únenme directamente cousas a eles. Por aí fixen esa escolma. "Sinto como regresar á casa, volver ao comezo de todo. Teño a sensación con este traballo de que canto máis regreso e canto máis meto as mans na terra para buscar o cerne das cousas e do noso ADN, sinto que estou máis próximo á vangarda que eu podo ofrecer" Por que están estes once temas e non outros? Cales son os fíos que as unen? Atenden a cuestións, en primeiro termo, estéticas. Son temas que me gustaban, temas que me seducían. Por outra banda, cando comecei a traballar sobre algúns temas, procurei ter unha visión ampla en canto ao ritmo e tamén en canto aos contextos xeográficos. Buscaba que houbese algo de todas partes e que se tocasen todos os paus. Creo que eses son os dous fíos máis importantes. Para vostede, este disco conforma dalgún xeito un regreso ás orixes. Sinto como regresar á casa, volver ao comezo de todo. Teño a sensación con este traballo de que canto máis regreso e canto máis meto as mans na terra para buscar o cerne das cousas e do noso ADN, sinto que estou máis próximo á vangarda que eu podo ofrecer. Tamén a contemporaneidade. Son un tipo do século XXI, tócame vivir este tempo e tentei fuxir de costumismos. Paréceme un traballo, nese sentido, moderno. Moitas veces hai unha identificación errónea entre a tradición e algo caduco, antigo, vello... Todo isto pódese revisar dende prismas actuais. Como se foxe desa identificación e dos tópicos? Coido que grazas a pequenos trazos e a pequenas cousas foise conseguindo que o traballo sexa visto dende unha perspectiva que se afasta dos tópicos. Escoitando o disco, decátaste de que este traballo busca ser moderno e camiñar por outras sendas. Esa perspectiva ten que ver co xeito de gravalo, de producilo. Tamén dende a propia concepción. Está formulado non como un traballo de música tradicional ao uso, senón que está pensado como un traballo especial, con moita percusión e gravada dun xeito singular. Intentamos que a percusión teña unha presenza poderosa e importante. Despois, hai outras cuestións. Por exemplo, decidimos que despois das primeiras presentacións en Galicia, temos que ir a Madrid e Barcelona. E o título non deixa de ser unha declaración de intencións... Un título que nos leva directamente a Bob Dylan. É que Dylan é un vello moi moderno... E un traidor ao folclore... Efectivamente: un traidor. Nesa canción súa, a que dá nome a este disco, fai un chamado a un pandereteiro para que toque unha canción e seguilo... En definitiva, eu creo que a maneira de concibir o disco, esteticamente, vai nunha liña diferente ao que se ten feito até agora na música popular. "A percusión está constituída por instrumentos e elementos moi distintivos. Forman parte do noso ADN de forma definitorio. Fannos diferentes no resto do mundo e foron os que construíron en primeiro termo a nosa música" A percusión é un elemento fundamental no disco. Xosé Lois Romero, que vén de presentar un novo proxecto de percusión chamado Aliboria, comentábame que a linguaxe rítmica da percusión precisaba unha renovación, que todos os instrumentos se modernizaran, menos os de percusión. Que opina? Por unha parte, cómpre dicir que a percusión está constituída por instrumentos e elementos moi distintivos. Forman parte do noso ADN de forma definitorio. Fannos diferentes no resto do mundo e foron os que construíron en primeiro termo a nosa música. Antes mesmo que calquera instrumento melódico. O primeiro de todo foi a percusión. Penso que temos unha asignatura pendente neste sentido e coincido con Xosé Lois Romero. Neste traballo, tiven a absoluta convicción dende o principio de que cumpría destacar dous elementos: a voz e a percusión. Debían ser o cerne sobre o que se ía sustentar o resto da estética musical. Na propia produción do disco decidín, por momentos, castigar algúns instrumentos harmónicos-medólicos para que a percusión nin sufrise nin minguase. Hai alguén que me dixo: "oes, que a percusión está un pouco alta". Era algo premeditado. Porque, repito, todo isto ten que ver coa nosa tradición máis primixenia. Naceu así a nosa música popular en primeira instancia. Iso dálle un carácter un pouco punky e guerreiro. Tamén poderoso. Interesante. Punky non parece ser unha palabra que a xente vaia asociar a este disco... A min, realmente, paréceme unha asociación interesante. Unha señora tocando a pandeireta co puño e cantando calquera muiñeira é punky. Interésame moito, no fondo, esa chamada a outras tribos e outros mundos, para que se acheguen a este disco e escoiten este mundo. Moitas veces vivimos de costas, coma se fósemos tribos afastadas: os indies por alá, os tradicionais por aló, os roqueiros pola outra parte... Como xorde a colaboración coas Adufeiras de Salitre? As Adufeiras son rapazas que foron alumnas en primeiro termo. Co tempo, funme decatando pouco a pouco de que aquilo tiña unha dimensión moi poderosa. Nun principio a súa colaboración ía ser menor, pero decateime da forza que tiñan e do poderosas que resultaban. Paréceme que me fixeron unha sorte de transfusión de sangue e de enerxía. Por iso teñen unha participación esencial no disco. "As Adufeiras son rapazas que foron alumnas en primeiro termo. Co tempo, funme decatando pouco a pouco de que aquilo tiña unha dimensión moi poderosa. Nun principio a súa colaboración ía ser menor, pero decateime da forza que tiñan" Tamén hai, coido, unha mensaxe que a min me congratula moito e que ten a súa parte poética. Quero dicir que eu fixen durante moitos anos eses traballos de campo e elas son as depositarias de todo iso. Eu filtreino e agora doulles a man para que abracen todo isto. Son o presente, pero tamén son o futuro. Gústame personalizar nelas, a través deste traballo, esa transmisión, esa cadea entre o que eu aprendín e o que elas están a facer. Encantaríame que tivesen vida propia como grupo. Que algún día fagan algo elas soas. Pode chegar ese momento... Eu coido que si, espero que si. Sería unha mostra palpable de que todo isto está vivo. Paréceme moi importante que haxa continuidade. Igual que che dicía antes iso de é necesario que as tribos se acheguen a esta música e que outros públicos se poidan interesar, tamén é importante que a xente nova teña esa curiosidade. Que a xente nova teña interese en discos como este dará unha medida do vivo que está este xénero. Como de vivo está? Pois está moi vivo. Estivo máis? Ou é que determinadas fórmulas tiveron máis proxección? Quizais esa visión sexa máis exacta. Quizais houbo maior proxección no sentido de que houbo iconas moi claras e a industria mirou cara ao xénero dun xeito determinado. Agora ben, no referente ao substrato e ao tecido máis asociativo, durante os últimos anos houbo unha explosión coas foliadas, cos seráns, coa xente que se xunta e de forma espontánea comeza a tocar. E toda esa xente é nova. Iso dá unha medida da vitalidade. Dende logo é verdade que si houbo unha época dourada do folk, pero teño a sensación de que temos un caldo de cultivo moi importante, latente, con moita xente metida. Agora falta que aparezan grandes referentes novos. E traballos que enganchen a xente. "Teño moitas ganas de tocar fóra do país. Non é que me oprima, pero necesitamos os outros mercados. O país é pequeno, dá pra o que dá. Despois de facer un ano de xira e facer trinta datas, xa tes a sensación de tocar en todas partes" Co disco sairá a realizar concertos en Madrid e Barcelona. Si, é unha decisión premeditada porque o disco ten vocación universal. Teño moitas ganas de tocar fóra do país. Non é que me oprima, pero necesitamos os outros mercados. O país é pequeno, dá pra o que dá. Despois de facer un ano de xira e facer trinta datas, xa tes a sensación de tocar en todas partes. Nas grandes cidades e nas vilas medias... Entón, esa é a decisión. Eu dedícome profesionalmente á música e preciso transitar por outros mercados. Entón, foi algo moi premeditado. A aposta é esa. Presentalo no país, por suposto, que o seu espazo natural; pero despois sacalo ao exterior. As dificultades para sacar fóra un traballo non han ser poucas, non? Si, pero eu estou máis en pensar nas oportunidades que nas dificultades. Porque os galegos temos unha tendencia terrible a esa inercia negativa. Teño ganas de rebelarme nese sentido. Despois a realidade xa nos porá onde teña que poñernos. Agardo que nos reciban ben en Madrid e Barcelona e que poidamos ter certa penetración no mercado estatal. Mira, estamos a dez horas en furgoneta de calquera lugar da península, incluíndo, claro está Portugal, que é un mercado natural. Irá a Portugal? Hai contactos, si. Portugal é un mercado co que temos certa afinidade. A figura das Adufeiras, ademais, é unha figura que existe alí tradicionalmente. De feito, fomos a un congreso e participamos coas Adufeiras de Monsanto, que son unha icona da música en Portugal. Hai certo interese, si. É moi interesante ir a Portugal. "Temos unha asignatura pendente; presentando en Madrid, Barcelona, Vigo e Coruña, como está previsto, presentar no Porto sería algo moi natural" Pero antes de ir a Portugal, vai a Madrid e Barcelona. Si... A verdade, temos unha asignatura pendente, eles e nós, de intentar que o mercado e a relación entre músicos e industrias sexa máis próxima. Seguramente, presentando en Madrid, Barcelona, Vigo e Coruña, como está previsto, presentar no Porto sería algo moi natural. Buscaremos a alternativa pronto e procuraremos facelo. É unha asignatura pendente, dende fai anos e se cadra non se acabou de materializar nunca... É un discurso que escoitamos dende fai anos. Certo é que hai afinidade, pero acabamos vivindo de costas. Supoño que todos temos responsabilidade niso. Tamén os que mandan teñen responsabilidade nisto, porque creo que se poderían ter abertos máis camiños. Habería que teimar máis nas relacións de ida e volta. En todos os campos da cultura. Ademais, a práctica empírica funciona. Cando imos alá, a resposta é boa. E ao revés? Tamén. Non é que non funcione. Agardemos que no futuro se materialice, que non quede todo no discurso que parece eterno de "hai que facelo". Todos temos na cabeza que é importante pisar con interese ese territorio. E facer promoción, pero de verdade. Moitas veces queda todo no interese. Tamén hai que apostar. Mira, todos estes concertos están planeados dende a perspectiva absolutamente empresarial e arriscando. Eu véxoo tamén como negocio, gústame pensalo e non podemos evitar falar de negocio. Moitas veces dá medo empregar esa terminoloxía empresarial por sermos, non sei, máis puros? Seguramente, temos cometido moitos erros. Pero pouco a pouco imos aprendendo, aprendemos a valorarnos. Un dos problemas que ten o meu xénero é que durante moito tempo nos dedicamos a pedir perdón por tocar, a ser humildes en exceso. É hora de termos a fachenda. "Temos que ser máis orgullosos da nosa actividade, das cousas que imos presentar. Ten que ver coa nosa idiosincrasia. E son cousas que hai que mudar. E de forma radical" Por que se pediu perdón? Pois por esa inercia dos galegos a pedir perdón antes de tocar. Coido que temos que ser máis orgullosos da nosa actividade, das cousas que imos presentar. Ten que ver coa nosa idiosincrasia. E son cousas que hai que mudar. E de forma radical. Hai que falar con optimismo, con fachenda, con orgullo dos nosos proxectos. No noso xénero houbo sempre unha humildade excesiva. Falo da música tradicional, no folk houbo máis proxección. Aínda que a dicir verdade, este proxecto para o mercado vai ser folki. Son consciente diso. Pero tampouco me preocupa demasiado. O que non vou facer é falar deste disco cunha humildade extrema porque estea cheo de pandeiretas. Todo o contrario, son as ferramentas máis poderosas e diferenciadoras para poñer o noso traballo no mundo. Se fixera este disco cun piano, cunha batería e cun contrabaixo, estaría a competir cun millón de propostas. Con estes elementos, somos diferentes. Trátase de potenciar esa diferencia. Iso é positivo fóra de aquí. E aquí, gustaríame transmitir como mensaxe que estamos orgullosos de tocar estes instrumentos. No disco colaboran nomes como Kepa Junquera, Aleix Tobías de Coetus, Xosé Manuel Budiño... Hai un feixe de colaboracións no disco e despois temos unha edición especial na que está Carmen París. A verdade é que si, que hai unha nómina de colaboradores que son amigos e cos que coincidín nestes anos traballando. Pero eu non quería que fose unha cuestión nominal para aproveitar o lustre dos nomes. Esforceime para ofrecerlles os temas nos que puideran ofrecer cuestións máis interesantes. Todos deron a talla dos artistas que son, pero fun esixente comigo para buscar o seu sitio e para que a súa participación fose importante. A súa participación non podía converterse nun desfile de nomes para darlle lustre ao disco. "Gústame ter esa sensación de que, por unha banda, bebín das mulleres das aldeas que gardaron a memoria e que, pola outra , estou traballando cunha serie de mulleres deste tempo como son as Adufeiras" Como dixemos, cada canción achega brevemente no libreto do disco a historia da primeira vez que o escoitou, de como a coñeceu, onde as gravou... E en case todas se falan de mulleres que, dalgún xeito, funcionan de custodia da nosa herdanza musical. Que papel xogan estas mulleres no disco? Dixéchelo perfectamente: muller e custodia. Son as que gardaron todo o patrimonio e a súa memoria. Foron elas quen o trouxo até nós. O noso folclore estivo vivo todos estes anos grazas a elas. Son as que gardaron todo. O meu traballo en solitario anterior chamábase Coplas para Icía. Era un agradecemento a Icía, patroa da música, e para todas as mulleres que gardaron ese patrimonio ao longo dos anos. Gústame facerlles ese recoñecemento ás mulleres que gardaron todo o noso acervo cultural. E gústame tamén, o que xa comentabamos antes, o de personificar nas Adufeiras as depositarias de todo isto. Eu simplemente son un transmisor entre xeracións, entre xeracións de mulleres. Gústame ter esa sensación de que, por unha banda, bebín das mulleres das aldeas que gardaron a memoria e que, pola outra , estou traballando cunha serie de mulleres deste tempo como son as Adufeiras, que viven neste mundo que nos toca vivir e que se emocionan con todas esas músicas. Fanme pensar que son as herdeiras nautrais. E por que dedicarlle unha canción a Audrey Hepburn É unha connotación... Non digo banal, pero vaia [Risos]. Durante todo o proceso de gravación do disco, que fixen no estudio que teño na casa e que durou moitos meses -quince ou dezaseis- aproveitei para ver a filmografía de Audrey Hepburn. Cando remataba as xornadas longas de traballo, ceaba e vía un filme seu. Acompañoume ao longo do proceso. Simplemente iso: acompañoume. |
NOS_27003 | Feijóo foi unha das voces que máis alto se alarmaron nestes días do cambio de domicilio social dunhas corenta empresas cataláns a outros territorios do Estado, consecuencia -dixo- do procés. Mais, ten motivos o presidente galego para dar leccións? En apenas catro anos realizaron esa operación na Galiza máis de 450 sociedades. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 268 de Sermos Galiza. | Nestas dúas semanas ducias de empresas emprezadas en Catalunya decidiron trasladar o seu domicilio social a outro territorio do Estado. Unha mudanza que contou co apoio e beizóns do propio Estado español, que modificou a lexislación ad hoc para poñer alfombra vermella a esa marcha, consciente do impacto en pleno proceso independentista. Alberto Núñez Feijóo sumouse entusiasta, desde Galiza, ao coro de dirixentes populares e socialistas que apontaban a eses traslados como mostra clara e irrefutábel de que o soberanismo levaba Catalunya ao desastre. O presidente da Xunta pode que non sexa o máis acaído para dar leccións neste tema. De feito, e se fai memoria, Feijóo lembrará que en 2014 o Goberno galego que el preside ordenou á Axencia Tributaria Galega que activase un plan de inspección sobre a fuga de empresas localizadas na Galiza a Madrid, atraídas pola eliminación de trabas ou a menor presión fiscal. Os resultados desa inspección non se fixeron públicos. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 268 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais] |
PRAZA_9158 | Dende o 2015, a lei fixa un máximo de 1 vehículo deste tipo (os utilizados por plataformas como Uber o Cabify, que acaba de chegar á Coruña) por cada 30 taxis. Varias sentenzas determinaron que a administración está obrigada a conceder todas as autorizacións que foran solicitadas antes do 2015. | Os taxistas de Barcelona e Madrid retomaron nos últimos días as súas sonoras protestas contra o incremento das licenzas VTC (vehículos de turismo con condutor) e de plataformas como Uber ou Cabify. Hai tres anos o Real Decreto 1057/2015 estableceu un límite máximo de 1 permiso VTC por cada 30 licenzas de taxi, poñendo fin á barra libre que se iniciara no 2009 coa reforma da Lei de ordenación dos transportes terrestres decidida polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, en transposición da normativa comunitaria na materia.As 326 licenzas suporán unha proporción de 1 por cada 9 taxis en Galicia, case tres veces por riba do máximo legal previstoPorén, nos últimos meses varias sentenzas xudiciais (encabezadas por unha do Tribunal Supremo) determinaron que a administración non pode denegar as solicitudes de novas licenzas VTC realizadas entre 2009 e 2015. Mesmo nos lugares nos que se supera ese ratio 1/30 (ou o que é o mesmo, o 3,33 por cada 100).Iso é o que está a suceder en Galicia. Na actualidade existen 276 licenzas VTC, fronte a 3.586 autorizacións para a condución de taxi (7,7 por cada 100), máis de dúas veces o ratio permitido. Os tribunais veñen de ditaminar que a Xunta está obrigada a conceder 50 novas licenzas VTC que foran solicitadas antes do decreto de 2015 e nos vindeiros meses espérase que se sumen outras 10 licenzas. As 326 licenzas suporán unha proporción de 1 por cada 9 taxis en Galicia, case tres veces por riba do máximo legal previsto. Isto non quere dicir que se estea a incumprir a lei, posto que a ratio 1/30 só afecta ás novas autorizacións, non ás xa existentes ou ás que estaban en proceso, aínda que si bloquearía as novas peticións. Esta é a clave das protestas dos taxistas en Madrid, pois calcúlase que na capital do Estado están pendentes de ser outorgadas 7.000 novas licenzas, que foran solicitadas antes de 2015. Os taxistas, que piden que a proporción 1/30 se aplique sobre o número de vehículos que operan nas rúas, denuncian ademais que máis aló da fachada de economía colaborativa de plataformas como Uber ou Cabify, 26 persoas controlan máis de 10.000 licenzas en España.Segundo datos da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta, o número de Autorizacións VT para transporte público de viaxeiros en taxi pasou de 3.847 en 2013 a a 3.586 en 2017. En paralelo, nos últimos temos asistimos ao desembarco en Galicia dalgunhas plataformas como Cabify, que comezou a operar na Coruña o pasado 14 de decembro, uníndose a Barcelona, Madrid, Valencia, Alacante, Sevilla e Málaga. Seis infraccións dos vehículos VTC na Coruña dende decembroNa Coruña a Policía detectou "a disposición de vehículos para recoller xente en lugares de afluencia de público, en horario nocturno", algo que estes vehículos non están autorizados a facerEste luns, o Goberno municipal da Coruña sinalou que a Policía Local está a realizar un "control e seguimento" das actuacións que están a desenvolver as empresas con licenzas VTC instaladas na cidade. Os concelleiros de Mobilidade e Seguridade da Coruña mantiveron unha xuntanza con representantes do sector do taxi, aos que informaron de que dende o mes pasado a Policía Local levou a cabo oito rexistros de documentación a vehículos que estaban a transportar pasaxeiros. En dous dos casos confirmouse que os turismos contaban cos permisos necesarios, pero non así nos outros seis.Ademais, a Policía Local detectou "a disposición de vehículos para recoller xente en lugares de afluencia de público, en horario nocturno", algo que estes vehículos non están autorizados a facer, pois só poden prestar o seu servizo se foron previamente contratados. O Concello da Coruña "ten a obriga de vixiar que se cumpra a normativa dun servizo regulado, que conta cuns prezos aprobados por estamentos públicos" fronte á chegada "dun servizo privado que, ante a alta demanda, pode disparar os seus prezos en detrimento das persoas usuarias", estacaron Daniel Grandío e Rocío Fraga. |
NOS_1155 | A Fiscalía galega remitiu á Fiscalía Xeral do Estado a información dun total de sete procedementos penais en tramitación sobre delitos de agresión ou abuso sexual a menores no seo de congregacións, colexios ou calquera outra institución relixiosa. Mentres hai un debate sobre a idoneidade dunha comisión a nivel estatal para investigar este tema, hai voces críticas desde a propia institución relixiosa que demandan máis contundencia e explican como se chegou a esta situación. | Os casos de pederastia na contorna da Igrexa católica e as súas ordes relixiosas, algunhas cunha extensa rede de centros educativos, están a crear máis de un debate sobre o seu funcionamento e o seu futuro, mesmo dentro da propia institución. Agora mesmo, coa preparación dunha comisión de investigación de fondo, a Fiscalía Xeral do Estado conta co informe da Fiscalía da Galiza que contabiliza un total de sete procedementos penais en tramitación sobre delitos de agresión ou abuso sexual a menores no seo de congregacións, colexios ou calquera outra institución relixiosa. Voces críticas na Galiza dentro da propia Igrexa O pasado 2 de febreiro era Luís Rodríguez, o cura de Xestoso (Monfero) e Momán (Xermade) quen se ratificaba en cualificar de "terrorista" a cúpula dos bispos españois por desentenderse dos casos de pederastia ou mesmo "permitilos". Criticaba a falta de resposta "da xerarquía eclesiástica" e lembraba que el mesmo xa falara deste tema "en 2013 e en 2018". Rodríguez censuraba tamén "o silencio dos bispos" que, entende, "eran cómplices e colaboradores". Outro párroco, Rubén Aramburu da asociación Irimia, afonda no tema para explicar como se chegou á situación actual. En conversa con Nós Diario, opina que a proliferación da problemática dos abusos a menores na Igrexa católica explícase como unha consecuencia do "abuso de poder, igual que acontece noutros eidos como a familia ou o deporte". A concentración de casos que agora comezan a ver a luz tería unha relación directa co propio funcionamento da institución "que serviu de refuxio a determinadas persoas nunha sociedade moi homófoba como foi a española durante décadas". Ademais, engade "o erro do celibato, de impoñer a castidade á forza, algo que é antinatural". Por este motivo, segundo Aramburu, "a propia Igrexa crea o monstro" e bota en falta unha actuación "máis contundente" sobre este tema. "Están fóra de lugar neste asunto, non souberon reaccionar a tempo", admite. Porén, os últimos casos relacionados co mundo educativo nalgunhas ordes relixiosas na Galiza, como é o caso de Maristas en Vigo ou La Salle en Compostela, non dependen do bispado. Oficinas de atención da Arquidiocese de Santiago A resposta da Arquidiocese de Santiago foi habilitar un Servizo pastoral interdiocesano de atención a menores, persoas vulnerábeis e as súas familias. Centralizado nunha páxina web conta cun correo electrónico e un teléfono móbil que atende o director deste departamento, José María García. Cada bispado, a maiores, posúeun departamento propio para recibir as denuncias. Nós Diario contactou coa responsábel diocesana da Comisión Protexe do Bispado de Mondoñedo-Ferrol, Concepción Quintela, que explica o funcionamento deste servizo de recente creación. "Esta mesma semana temos reunión co bispo para preparar o protocolo de actuación", sinala Quintela, "de momento non temos ningunha denuncia", engade. Polo de agora, traballan "na sensibilización das actuacións para que non se interpreten mal o que facemos". Asegura que no momento de aparecer un caso informarían a Santiago "que contan con psicólogos e avogados". A creación recente destas "oficinas" para atender os casos de abusos a menores realizouse en tempo récord e o persoal tivo que adaptarse ao seu cometido recibindo información especializada. "No momento en que me comunicaron que sería a coordinadora o primeiro que fixen foi formarme", admite Quintela, "realicei un curso a distancia no Instituto Relixioso de Madrid a través da Universidade Pontificia de Roma", engade. |
NOS_31299 | As persoas subscritoras xa poden acceder no web de Nós Diario aos contidos do número especial que Sermos Galiza publica sobre a vida e a obra de Xela Arias. O monográfico 'Xela Arias: voz galega de seu', de 48 páxinas a cor, nunha coidada edición, publícase este sábado, día 15 de maio, canda o Nós Diario. | As persoas subscritoras de Nos Diario xa poedn acceder ao especial que Sermos Galiza lle dedica á figura e á obra de Xela Arias (Sarria, 1962-Vigo, 2003) co gallo do Día das Letras Galegas. Con este especial realizamos a nosa particular homenaxe coa colaboración de persoas estreitamente vinculadas á escritora ás que agradecemos a súa participación, ao igual que ao fotógrafo Xulio Gil, autor da meirande parte das imaxes publicadas neste monográfico en que debullamos unha poeta transgresora cuxa traxectoria non se entende sen a cidade de Vigo, sen o feminismo e sen a contracultura, e que neste 2021 por fin forma parte da escasa nómina de autoras homenaxeadas pola Real Academia Galega. Xela Arias aínda é a quinta muller dun total de 59 autores e autoras. María Obelleiro, directora de Nós Diario, subliña que "celebramos, con este Sermos Galiza especial, unha escritora situada á vangarda que reivindicou o galego como lingua literaria e que tamén traballou nun dos ámbitos menos recoñecidos da literatura: a tradución. Unha tarefa que pon o idioma propio da Galiza en pé de igualdade con outras linguas e que contribúe á súa difusión. Cómpre citar nesta mesma liña o seu labor como editora, que nos leva a parabenizar as editoriais galegas polo esforzo inxente que tiveron que realizar, nun contexto complexo debido á situación de emerxencia sanitaria, para poder sacar do prelo as publicacións do Día das Letras 2021. Lembremos que non foi até entrado decembro de 2020 cando a Academia decidía homenaxear Xela Arias". O monográfico Xela Arias: voz galega de seu, explora as diferentes facetas da escritora, desde o seu compromiso insubornábel coa lingua, coa liberdade e coas inquedanzas dunha xeración con arelas de cambios para a Galiza. É este o punto de partida dunha obra e dunha figura poliédrica que explica a historia máis recente da literatura galega cunha ollada propia. A escritora Marta Dacosta debuxa o contexto da Xela Arias escritora. O Vigo das protestas do naval, das ombreiras posmodernas e do punk. O Vigo do que se deu en chamar "a movida", mais que ocultaba moito máis nas súas rúas: creación, rebeldía, protesta. Xela Arias recollería todas esas suxestións para transformalas en poesía. A continuación, o profesor e ex director de Xerais, Manuel Bragado, dá conta do labor de edición da homenaxeada, unha "editora pioneira" que participou no estabelecemento dun estándar para o galego culto e para a industria editorial. Bragado mostra unha autora mergullada na tradición galeguista desde nena e continuadora desa arela de construción dun espazo nacional no que desenvolver vida e obra. Manuel Xestoso encárgase de discernir as chaves que uniron a obra e a vida da escritora e que deron como resultado un dos corpus poéticos máis arriscados da literatura galega de final do século XX. Nun mundo en que tradición e modernidade confluían, inmersa na atmosfera dunha Transición aínda chea de incógnitas, a obra de Xela Arias construirase entre a liberdade da década de 1980 e as decepcións políticas que seguirían. María Xesús Nogueira, biógrafa e editora da obra completa de Xela Arias, analiza a dimensión crítica, social e política dunha autora marcada pola innovación temática e formal, escrita sempre desde as marxes dun incipiente sistema literario que comezaba a dar os seus primeiros pasos cara á normalización. O crítico de arte Xosé M. Buxán Bran estuda Tigres coma cabalos, unha obra pioneira que evidencia a visión adiantada ao seu tempo da homenaxeada co Día das Letras 2021. Un traballo fiado pola poesía e polas fotografías de Xulio Gil que supuxo un punto de inflexión na produción editorial da época e que reflicte o afán experimental da autora. O crítico literario Mario Regueira salienta no seu artigo o valor estratéxico da Xela Arias tradutora, nun contexto en que a representación da lingua e da cultura adquirían un papel fundamental na Galiza: a construción dun espazo simbólico desde o que reivindicar os dereitos lingüísticos e culturais de todo un pobo. A continuación, Darío Gil Arias, fillo da poeta e a quen lle dedicou o libro Darío a diario, achéganos, da man da xornalista Montse Dopico, á vertente máis íntima de Xela Arias, á súa vida cotiá e á súa loita contra as inxustizas sociais. A escritora Marga do Val ofrece as chaves da recepción da obra da homenaxeada, quen se situou, de maneira voluntaria, á marxe do canon para expresar o que daquela non se citaba e que anos despois se desvelaría como un discurso imprescindíbel. As dificultades na recepción da súa obra serían o preludio a un recoñecemento tardío que, dalgún xeito, vindicaba a todas as literatas que seguirían o seu camiño. Fecha o monográfico o poeta Xosé María Cáccamo, quen fai un repaso por algúns dos encontros persoais con Xela Arias ligados ao Festival de Poesía do Condado, mais tamén a mobilizacións de carácter social: Nunca Máis, a Burla Negra, a loita contra a guerra do Iraq son algúns dos fitos que amosan o compromiso da poeta co seu tempo e co seu país. O especial venderase conxuntamente con Nós Diario o vindeiro sábado 15 de maio. As 48 páxinas ao prezo de sempre do semanario. Nos quiosques e puntos de venda habituais e na loxa. Se non es subscritora ou subscritor, non dubides en adherirte. |
NOS_37086 | Nun escrito apoiado por 85 dos 97 médicos sinálase á Xunta como responsábel de procurar converter este hospital da Mariña de Lugo "nun ambulatorio" e alertan do deterioro da calidade asistencial e da perda de servizos. | O 88% dos médicos do Hospital da Costa de Burela asinaron un escrito no que se denuncia a perda continuada de servizos neste complexo desde que a Xunta activou hai 10 meses a área integrada. Foron 85 dos 97 facultativos os que apoiaron este documento, que denuncia que "o obxectivo é converter o Hospital da Costa nun ambulatorio e encher o Hula". Unha denuncia rotunda que se desprende, apuntan, da "realidade" que se percebe no día a día. E con consecuencias xa notábeis como é, sinalan, a perda de calidade asistencial dos pacientes, perda de servizos... e todo iso camiño do desmantelamento deste Hospital. Mobilizacións Afirman estar dispostos a iniciar mobilizacións para evitar este final. Optaron por falar "cunha única voz"para que a poboación saiba o que está a ocorrer e para tratar "de pór freo aos malos tratos que recibe a sanidade na Mariña e que, de continuar este ritmo, estará en peores condicións que hai cincuenta anos". Por iso, para o que o hospital se manteña e se potencie están dispostos a emprender mobilziacións e unha 'maré branca' |
PRAZA_6022 | O informe de Vixilancia Aduaneira que este luns provocou un desfile de políticos polos xulgados de Lugo describe como o delegado de Véndex en Galicia entregou, presuntamente, case 50.000 euros a diversos dirixentes políticos locais a tres días das eleccións de 2011. | Pedro Pérez, Benito Nogueira González e Pablo Santos Orgueira Estévez. Estes nomes non corresponden a ningunha persoa en concreto e, agás o primeiro, moi común, nin sequera existen. No entanto, figuran nun fax remitido o 16 de maio de 2011 polo delegado de Véndex en Galicia, José María Tutor, ao seu xefe en Madrid, Gervasio Rodríguez, como "os traballadores que se van dar de alta no novo proxecto de investigación". Na segunda páxina desa comunicación Tutor detállalle a Rodríguez os "investimentos" que ía realizar "en cada cidade" e cita, a continuación, cantidades asignadas a Ourense, Lugo, Santiago, A Coruña, Ferrol, Arteixo, Ribeira e Boqueixón. Este é, para a investigación da operación Pokémon, un dos documentos clave do caso, porque ao seu xuízo demostra que a empresa distribuíu case 50.000 euros entre diversos dirixentes políticos locais de Galicia a tres días das eleccións municipais de 2011. "Que cabrón, deberíate nomear na CIA se me fixesen xefe nos Estados Unidos!", díxolle Rodríguez a Tutor nunha chamada telefónica realizada ao recibir o fax e intervida por Vixilancia Aduaneira. Segundo os axentes, os parabéns do xefe de Véndex están motivados polo xeito en que Tutor amosaba en "clave" os cartos que ía repartir. As iniciais dos inexistentes traballadores son, segundo os axentes, un xeito de ocultar as siglas de PP, BNG e PSOE e os "investimentos" por cidades, as cantidades a repartir en cada unha delas, diferentes en función do partido político de cada unha das persoas. Segundo os axentes Tutor ocultaba as siglas dos partidos con nomes de persoas inexistentes e os presuntos subornos, como "investimentos" Sempre segundo este informe, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, Tutor recolleu os cartos nunha viaxe de ida e volta de Galicia a Madrid realizada o 18 de maio. Rodríguez non "entende" como Tutor "se demorara tanto" en ir recoller os cartos, se ben Tutor "tranquílizao dicindo que o venres", o "último día [da campaña electoral]" lle ía dar tempo a "facelo todo". Estas palabras, segundo Vixilancia Aduaneira, son unha "clara alusión a que o 20 de maio se dedicará a repartir os cartos", un "novo proxecto" cuxa "finalidade son os seus intereses comerciais nas distintas cidades, polos distintos contratos públicos que nas mesmas ten vixentes cos distintos organismos". Cos cartos xa recadados Tutor, "segundo os datos obtidos" pola investigación, realizou nese "último día" o que "el mesmo denomina periplo ou ruta do bacallau", segundo un "apuntamento que figura na súa propia axenda", intervida durante os rexistros ordenados pola xuíza Pilar de Lara" e tamén segundo o escoitado en conversas telefónicas coa súa dona, tamén supostamente implicada na presunta trama corrupta. Dado que "temporalmente ten retirado o permiso de conducir" tivo que "depender de terceiros empregados de Véndex", os seus responsables en Santiago e Lugo, para poder facer a ruta. As entregas de diñeiro Grazas aos 'picazos' telefónicos e á xeolocalización dos teléfonos móbiles Vixilancia Aduaneira consegue reconstruír o percorrido dese 20 de maio e as persoas coas que, din, se reuniu para darlles cartos. O primeiro deses encontros, afirman, produciuse en Santiago con quen despois sería xefe de gabinete da Alcaldía, Ángel Espadas, a quen, segundo os "indicios acreditados" lle entregou "cando menos 5.000 euros". A segunda parada da viaxe, din, foi Ourense, cidade na que lle corresponderían, segundo os axentes, 6.000 euros a José Luis Baltar, de quen ademais demandarían mediación para que o PP local non mantivese a súa aposta por retirar o servizo de ORA da cidade no caso de chegar ao goberno. Tras a visita a Ourense Tutor regresou a Santiago como paso previo a viaxar a Lugo, onde a cita, aseguran os axentes, era con José Manuel Barreiro, presidente provincial do PP e, actualmente, voceiro no Senado. A cita, segundo o informe, prodúcese na contorna da lucense praza da Fonte dos Ranchos, "onde teñen os seus domicilios José Manuel Barreiro e o PP de Lugo". A cantidade entregada neste caso, acusan, é de 5.000 euros, unha recepción que Barreiro, alcumado Chino pola trama, negou en días pasados. De Lara, que apoia case unha vintena de imputacións neste informe, quere saber se os cartos foron entregados e, de ser así, se foron para beneficio individual ou dos partidos Despois de Lugo o delegado de Véndex volveu unha vez máis a Compostela e desprazouse posteriormente á Coruña, onde tentou concertar unha cita con Julio Flores, número dous do PP local, con quen finalmente non podería verse ata o día seguinte, a xornada de reflexión. Neste caso, os cartos que se lle adxudicarían serían 5.000 euros. Xa despois das eleccións, o 2 de xuño, Vixilancia Aduaneira atribúelle a Flores un papel de mediador entre Véndex e o actual alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, a quen acusan de recibir 3.000 euros. Tanto Flores como Rey Varela negan tamén que recibisen cantidade ningunha e, no caso do rexedor ferrolán, asegura que emprenderá accións legais por estas acusacións. Membros do PSOE na Coruña e Ferrol, do PP en Boqueixón e do BNG en Ourense e A Coruña -no caso do Bloque coruñés, por un ingreso que a formación asegura que realizou ela mesma- son tamén sinalados por Vixilancia Aduaneira neste informe, co que De Lara motiva case unha vintena de imputacións. Segundo a maxistrada o obxectivo das entregas sería "gratificar" a "actuación de políticos e funcionarios" na "consecución de contratos e servizos adxudicados ao grupo Véndex". Segundo sinala en dous autos ditados o pasado 23 de xuño resta saber se as persoas sinaladas recibiron as cantidade e, de ser así, se foron para o seu beneficio ou o das súas formacións, motivo polo que lles reclama datos contables a elas mesmas e ao Tribunal de Cuentas. |
NOS_47847 | Quen guste dos musicais vaino gozar moitísimo; e a quen non lle presten moito, de seguro, vai repensar os seus gustos. | Antes de nada vou dar un par de conselliños por se paraches nesta páxina e aínda estás pensando en ir ver Annette: primeiro, debes vela en versión orixinal e... segundo, non leas esta crítica, ningunha crítica, ningún artigo, evita os trailers, silencia o título do filme no twitter, non permitas, baixo ningún concepto, que che conten nada. Nada! E se xa a viches, por suposto podes seguir lendo se queres. Annette / Leos Carax / Francia-Alemaña-Bélxica-Xapón-México / 2021 /141 min. Annette supón o primeiro filme de Carax en lingua inglesa, un filme que inicialmente foi concibido para ser un álbum do grupo musical Sparks, formado polos irmáns Ron e Russell Mael. A peza estaba xa lista para iniciar a súa xira de lanzamento mais coñeceron Leos Carax co gallo de que unha das cancións do grupo figuraba na banda sonora de Holy Motors. A raíz dese, seguro xenial, encontro, a deriva das cancións mudou por completo de rumbo para maior goce das persoas que amamos isto do cinema. A trama céntrase na relación amorosa entre Henry McHenry, un cómico de éxito, interpretado por Adam Driver, cun estilo a medio camiño entre os Monty Python e Andy Kaufman, e Ann Defrasnoux, unha cantante de ópera co aspecto físico de Marion Cotillard e voz, cando canta, da soprano Catherine Trottman. Non pegan nadiña como parella e, quizais por iso, a cousa funciona. Están namorados, casan e teñen unha filla: Annette. Desde ese momento todo cambia. Prodixioso musical mestura de comedia romántica, drama familiar, conto de fadas, thriller de suspense e traxedia grega. Difícil destacar algún momento, pois todos son moi bos, desde a presentación de personaxes nese xenial exercicio de metacine con cameo incluído de Leos Carax e a súa filla Nastya, a quen dedica o filme; pasando por todas e cada unha das cancións; a posta en escena; o deseño de produción; a química entre Driver e Cotillard; o travelling circular sobre Simon Helberg, que se destapa como grande actor, ademais de enorme pianista (cousa que xa demostrara en Florence Foster Jenkins xunto Meryl Streep); as transicións en modo revista rosa; a portentosa interpretación de Annette, e todas as decisións arredor da súa figura; que as partes máis teatrais ou fake teñan incluso máis verosimilitude que as outras; ou esa escena pos-créditos, que conecta co inicio e demostra a gran familia que saíu desta marabillosa experiencia cinematográfica. Gustará tanto a amantes dos musicais como a amantes do cinema en xeral. Quen guste dos musicais vaino gozar moitísimo; e a quen non lle presten moito, de seguro, vai repensar os seus gustos. |
NOS_16603 | O comité de empresa ultima a convocatoria dunha gran manifestación na Mariña para exixir ao Goberno español a aprobación do estatuto para as electrointensivas. | As traballadoras de Alcoa en San Cibrao (Cervo) amosan a súa fartura pola demora do Goberno español na aprobación do novo estatuto para as empresas electrointensivas. O presidente do comité de empresa, Xosé Antonio Zan, anunciou onte que a representación das traballadoras está a pensar "nunha gran mobilización" na Mariña pola falta de noticias sobre o estatuto co que agardan garantir a continuidade da planta. Os detalles sobre a convocatoria precisaranse a finais desta semana ou a comezos da próxima, indicou. Con esta marcha, o comité pretende facer "un pouco máis visíbel" o problema na Mariña para que "cada persoa que veña aquí saiba que hai un problema y teña claro que a solución pasa por unha regulación". "O que temos que ter claro é que fai falla un marco enerxético que nos evite andar cada pouco tempo tendo que saír á rúa pedíndoo. Ao final dilúese, e a xente, ante la ameaza de que vén o lobo, non se dará conta que o lobo témolo aquí ás portas da fábrica", alertou. Incerteza en Cee Tamén pendentes do estatuto e dun plan de viabilidade, o comité de Ferroatlántica nas plantas de Cee, Dumbría, e as centrais hidroeléctricas anunciou unha concentración esta sexta feira fronte ao Concello de Cee para reclamar á Xunta que "exerza as súas responsabilidades e obrigue" á nova xerencia da empresa a "presentar un plan de viabilidade". A concentración coincidirá co debate municipal para presentar unha moción ante o Goberno español que inste á aprobación "inmediata do Estatuto do Consumidor Electrointensivo" e para que o Executivo galego "esixa o perceptivo plan á empresa de ferroaleaciones". A concentración servirá tamén para protestar contra a decisión da empresa de parar o forno dunha das factorías pola suposta baixa demanda e o alto prezo de produción. |
PRAZA_6234 | Así o anunciou o ministro de Xustiza tras a súa xuntanza con Núñez Feijóo. Vigo, Compostela e Ferrol tamén terán un tribunal de instancia propio, tras a rectificación do Goberno central da lei de reforma da planta xudicial. | O Goberno recúa. O ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, vén de anunciar en Compostela que o Executivo introducirá cambios no anteproxecto de reforma da planta xudicial, aquel que prevía eliminar partidos xudiciais e concentralos en capitais de provincia e que tantas críticas levantara en Galicia pola posibilidade de deixar grandes localides sen tribunais propios ou sen sede dos devanditos partidos. Vigo, Compostela e Ferrol manterán un tribunal de instancia propia e Galicia, os seus 45 partidos xudiciais Agora, e segundo aclarou o ministro, o texto que irá ao Consello de Ministros no vindeiro mes de setembro admite máis dun tribunal de instancia provincial e manterá os 45 partidos xudiciais de Galicia. Aínda así, e tal e como aclarou Gallardón, estes partidos xudiciais estarán sometidos a un "criterio de flexibilidade" que permitirá o traslado de asunos dun a outro, sempre dentro da área do mesmo tribunal de instancia. Refírese o responsable da carteira de Xustiza, nomeadamente, a casos nos que haxa sobrecarga de traballo. De feito, puxo como exemplo o que tivo que asumir o xulgado de Corcubión coa causa do Prestige. O Ministerio de Xustiza responde deste xeito ás peticións formuladas pola Xunta de Galicia e por outras comunidades autónomas, e rectifica así antes as numerosas críticas ao anteproxecto. Todos coincidían na necesidade de manter os partidos xudiciais como modelo "tradicional" de Xustiza, máis próxima ao cidadán e moito menos custoso para a xente. Deste xeito, Galicia non perderá ningún dos 45 partidos xudiciais que hai actualmente no país, que de levarse a cabo a reforma serían substituídos por tribunais provinciais de instancia. Teríase acabado así cos de cidades tan importantes como Compostela, Ferrol ou incluso Vigo. Pero tamén se acabaría cos catorce da provincida da Coruña, os nove nos que se dividen Lugo e Ourense e os trece de Pontevedra. Betanzos, Ortigueira, Muros, Mondoñedo, Vilalba, Viveiro, Verín, Xinzo, O Carballiño, Vilagarcía, Cambados, Marín ou Tui serían algunhas das vilas que quedarían sen estas unidades territoriais xudiciais que integran diferentes municipios limítrofes. O Goberno reaccionou a tempo. Feijóo agradeceu que o Goberno central "recoñecese a realidade territorial de Galicia" Logo da reunión entre Feijóo e Gallardón, o presidente da Xunta agradeceu estes cambios e presumiu de que Galicia non só "manterá os xulgados", senón tamén todos os partidos xudiciais e sete tribunais de instancia nas principais urbes. Xa que logo, Vigo, Compostela e Ferrol -que coa reforma prevista quedaban sen tribunal- uniranse aos xa previstos para cada capital de provincia. Estas sedes xudiciais de localidades que non sexan capital de provincia "deixarán de chamarse tribunais provinciais de instancia para ser simplemente tribunais de instancia e tomar o nome da cidade onde teñan a súa sede", segundo aclarou Gallardón. "Era necesario recoñecer a realidade territorial de Galicia e hai un Goberno que entendeu os feitos", celebrou Feijóo. A modificación do Executivo popular terán que ser agora reflectida no texto definitivo que entrará en setembro no Congreso para a súa tramitación. O cambio chega logo de fortes mobilizacións, tanto a nivel social como político, pasando por xuíces ou fiscais. Todos eles criticaban que non se tivese en conta o asentamento poboacional de Galicia, así como o caso de cidades como Santiago, Ferrol ou Vigo. No caso desta última, por exemplo, malia non ser capital de provincia, multiplica por cinco o número de asuntos de Pontevedra. |
PRAZA_4430 | Sanidade indica un novo falecido para un total de 618; na última semana os novos falecementos ligados á covid-19 foron tres. O gran incremento de "curacións" nun só día débese á suma dun golpe e sen referencia temporal de 104 altas epidemiolóxicas de persoas que estaban illadas nos seus domicilios por padeceren a covid-19 e que deron negativo en días que poden ser diversos | As cifras de novos casos de coronavirus en Galicia seguen transitando polos seus niveles máis baixos dende o comezo da pandemia. Os datos divulgados polo Ministerio de Sanidade -fornecidos polo Sergas, que non os divulga- indica que nas últimas vinte e catro horas se rexistrou só un novo diagnóstico da covid-19, o que supón que nos últimos sete días fosen apenas 11, dos que só dous tiveran inicio de síntomas nese mesmo período.O Sergas indica un novo falecido para un total de 618; na última semana os novos falecementos ligados á covid-19 foron tresEstas cifras, unidas ás que indican que nos últimos 14 días foron diagnosticados 55 casos novos en Galicia, só 11 con inicio de síntomas nesas dúas semanas, indican que a pandemia segue enlentecendo e os novos falecementos son tamén cada vez menos. Nesta xornada o Servizo Galego de Saúde indica un máis para un total de 618 e na última semana a Consellería de Sanidade reportou só tres. Á espera da revisión completa da serie histórica de casos de coronavirus que ultima o Ministerio de Sanidade adaptándoa ao protocolo implantado o 11 de maio -a Xunta non contempla publicar a súa e a do Goberno central demorouse, advertiu o doutor Fernando Simón, pola tardanza de datos dalgunhas autonomías-, a Consellería de Sanidade segue incorporando lotes de datos que dificultan a observación da pandemia. Se no inicio atrancaba a análise da evolución á alza, agora fai o mesmo coa súa remisión e, ao contrario do que sucederá coa base estatal, neste caso non existe serie pública que vaia ser revisada.A Consellería de Sanidade segue manexando os "positivos activos" como indicador de referencia. Esa cifra segue baixando e está xa en 569. Esa cifra supón 109 menos que o día anterior mentres o que o Sergas presenta como "curacións" chega a 10.148 persoas, o que implica un incremento de 115.O gran incremento de "curacións" débese á suma dun golpe e sen referencia temporal de 104 altas epidemiolóxicas de persoas que estaban illadas nos seus domicilios por padeceren a covid-19 e que deron negativo en días que poden ser diversosEste gran incremento débese a que, dun golpe, Sanidade inclúe no seu parte 104 altas epidemiolóxicas de persoas que estaban illadas nos seus domicilios tras daren positivo por coronavirus. É dicir, estas 104 persoas xa deron negativo, pero non é posible saber cando porque non existe serie pública do Sergas. Daquela, corresponden a un número indeterminado de días. É cando menos a terceira ocasión dende o inicio da pandemia que o Sergas incorpora un alto número de "curacións" sen referencia temporal nun só día. A maior incluíu 3.552 casos.A esas 104 altas domiciliarias engádense outras catro hospitalarias. A resta do novo falecemento e a suma de sete casos novos recuperados de data tamén descoñecida explican a diminución de 109 "positivos activos". O total de persoas que deron positivo nalgún momento chegaría así a 11.335, cifra resultante de sumar os casos incluídos nos comunicados diarios da Consellería.Estas son as magnitudes dunha xornada na que o Sergas indica que xa foron realizadas en Galicia 147.188 probas PCR, 1.544 máis que o día anterior. A Xunta non indica o número de test de anticorpos que leva feitos, aínda que si informa ao respecto ao Ministerio, que actualiza esas cifras periodicamente.Dúas hospitalizacións máis mentres baixa o globalUnha soa persoa permanece na UCI con test positivo de coronavirusNo que atinxe á presión da pandemia nos hospitais galegos, a situación segue tendendo a normalizarse. Tamén neste indicador cómpre acudir ao Ministerio por unha banda e ao Sergas, pola outra, para obter a 'foto' do día e observar a tendencia. Os datos do Ministerio indican que o acumulado de persoas que precisaron hospitalización dende o comezo aumenta en dúas e que nos últimos sete días ingresaron sete persoas a causa da covid-19.Mentres, pola banda do Sergas, as cifras de hospitalización seguen descendendo. Na UCI continúa habendo un único paciente (chegaron a ser 177 no pico da pandemia, nos primeiros días de abril) e nas unidades de hospitalización ordinaria -en planta- son agora 23, tras as devanditas catro altas. No que atinxe ás persoas illadas nos seus domicilios con test positivo, a cifra queda en apenas 545 tras a incorporación dun golpe das mencionadas 104 altas epidemiolóxicas. Nesas 545 persoas que aínda seguen figurando como illadas con test positivo inclúense 28 persoas usuarias de residencias de maiores e dependentes, cinco menos que na xornada anterior.Máis de 60 altas domiciliarias en VigoPor áreas sanitarias, as cifras que ofrece o Sergas -sen referencia do Estado, que só chega ata o nivel autonómico- refírense só aos positivos activos e permiten deducir que boa parte das altas domiciliarias agora sumadas se corresponden coa área sanitaria de Vigo, a que máis casos acumula. A área viguesa descende en 64 positivos activos e queda en 193. O segundo maior descenso é o da área de Santiago, con 18 menos. A maior incidencia deste indicador segue en Vigo (33 casos por cada 100.000 habitantes), aínda que baixa notablemente tras estas variacións. |
NOS_45988 | O pintor Francisco Miguel e a escritora Syra Alonso serán lembrados esta tarde na Praza da Liberdade da parroquia de Nós (Oleiros), nun acto de homenaxe ás persoas vítimas da persecución e o odio desatados co golpe de estado de xullo de 1936. | O acto que cada ano organiza o BNG de Oleiros con motivo do Día da Galiza Mártir dedícase este ano á parella formada polo pintor Francisco Miguel e pola escritora Syra Alonso, vítimas da represión franquista. Francisco Miguel foi prendido por dúas veces na súa casa de Coruxo de Abaixo, en Liáns. A primeira das veces, na madrugada do 2 de agosto de 1936, foi liberado por Syra Alonso. Porén, foi de novo prendido e "paseado". O corpo do pintor apareceu salvaxemente torturado e mutilado na parroquia carballesa de Bértoa o día 29 de setembro. O fascismo púñalle fin de xeito violento á vida dun home que tivo ao seu cargo a Libraría da Arte da coruñesa Rúa Real e que foi colaborador das revistas Alfar e Casa de América. Amigo de Picasso, Carpentier, Seoane, León Felipe, Siqueiros ou mesmo do mexicano Diego Rivera, Francisco Miguel foi ilustrador dos poemas de Jorge Luis Borges ou de Gabriela Mistral. Syra Alonso, soa e con 3 fillos pequenos, viviu unha infernal persecución até que finalmente puido fuxir camiño dun exilio mexicano do que nunca voltaría. A súa dramática historia quedou narrada nos Diarios que publicou no ano 2000 A Nosa Terra na súa colección "Mulleres". A súa biografía foi presentada pola redactora de Sermos Galiza Carme Vidal. O BNG de Oleiros lamenta que nin Francisco Miguel nin Syra Alonso conten aínda con ningún recoñecemento público ou pegada visual que recupere a súa memoria, para alén dunha meritoria iniciativa desenvolvida polas bibliotecas municipais do Concello hai algúns anos. A casa na que habitaron, á que antes dos sucesos terríbeis de agosto de 1936 Syra chamaba "A Casa da Felicidade", continúa a día de hoxe en pé. Un acto ao que se adhiren, cada ano, diferentes entidades culturas e de recuperación da memoria da comarca da Coruña O acto do BNG Oleiros, que vén organizando a formación nacionalista de maneira ininterrompida desde hai 19 anos, é a única iniciativa relacionada coa recuperación da memoria e o recordo das vítimas da represión que se celebra anualmente no municipio. Como vén sendo habitual, a este acto adhírense diferentes entidades culturais e de recuperación da memoria de toda a comarca: a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo de Sada ou a Asociación veciñal Os Rueiros de Nós, entre outras. Presentado pola actriz Isabel Risco, o acto co que o BNG conmemora o Día da Galiza Martir en Oleiros contará coas actuacións musicais de Moncho do Orzán e Miro Casabella, cunha intervención poética a cargo do escritor Cesáreo Sánchez Iglesias e cunha intervención política a cargo de Goretti Sanmartín, membro da Executiva Nacional do BNG e vicepresidenta da Deputación. |
NOS_52710 | Cun concerto do grupo LaReverdie na que foi colexiata de Baiona bota a andar o festival Espazos Sonoros que ese desenvolverá do día 14 de setembro a 26 de outubro. | O patrimonio histórico convértese, xa na súa sétima edición, no escenario dos concertos do Festival Espazos Sonoros que abre con concertos e outras actividades lugares monumentais e de singular riqueza cunha proposta musical de calidade. Bota a andar o vindeiro 14 de setembro en Baiona na que fora colexiata e hoxe é igrexa de Santa María co concerto inaugural do grupo italiano LaReverdie coa interpretación dun repertorio arredor das representacións musicais do medievo da figura da muller. Comeza así un intenso programa que se prolongará até o vindeiro 26 de outubro. Como en anteriores edicións, Espazos Sonoros, dirixido por Belén Bermejo, continúa fiel aos seus obxectivos de "fomento da creación musical en Galicia, de creación e formación de novos públicos para a música e de fomento do coñecemento e aprezo polo patrimonio". No programa musical, inclúese a presenza do tenor anglo-italiano Marco Beasley que intervirá o 11 de outubro en San Vicente de Pombeiro canda os músicos Fabio Accurso e Stefano Rocco cun repertorio de música renacentista e tradicional do Sul de Italia, o organista Marco Aurélio Brescia, o cantautor Xoán Curiel, o cuarteto de saxofóns Skirion, o dúo de Mercedes Hernández e Fernando Reyes ou o grupo Doa. A danza contemporánea ten tamén presenza no programa desta edición co proxecto Voltage Opposites e coa estrea dun espectáculo do coro E Ultreia e os Menestreis de 1500 arredor da música do santuario de Abades en Silleda, nunha xornada que incluirá tamén un roteiro polo baixo Deza. Roteiros e obradoiros Canda os concertos, a programación do festival inclúe actividades paralelas como a rolda pola paisaxe organística galega, visitas guiadas, xornadas de roteiros, un obradoiro de organería para crianzas e outro de achegamento á música antiga para todos os públicos. Abrir as portas do patrimonio en espazos singulares que non adoitan acoller programación cultural é outra das singularidades dun programa que nesta nova edición dirixirase ao poboado mineiro do Fontao, en Vila de Cruces ou outros como Santa Mariña de Augas Santas ou San Pedro de Rochas. O grupo laReverdie converteuse nun referente da recuperación e interpretación de música medieval vocal e instrumental e no seu concerto de Baiona contarán coa singularidade da instalación lumínica de Arturo Álvarez coa súa lámpada Bety. A información completa do programa e actividades está ao dispor na páxina web do festival e para participar nas actividades paralelas compre anotarse no correo electrónico [email protected]. |
NOS_13542 | A MNL considera o anuncio de Feijóo de que a Xunta responderá en castelán as queixas e suxerencias que se lle fagan nese idioma supón unha derrogación encuberta da Lei de Normalización Lingüística. | A Mesa pola Normalización Lingüística mostrou o seu rexeitamento ao Decreto de atención cidadá que, segundo anunciou o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixó, deixará de ter o galego como lingua preferente da administración. A administración galega responderá en castelán as queixas e suxerencias que lle cheguen nese idioma, afirmou o presidente galego esta quinta feira despois do Consello da Xunta. Para Marcos Maceira, presidenta da MNL, este anuncio procura captar en plena campaña "o sector máis extremista e intrasixente para co galego do electorado", o que constitúe toda unha "irresponsabilidade". Neste punto, Maceira fai un chamamento aos sectores do PP que queren e aprecian o galego para que rexeiten " esta nova campaña de galegofobia e o seu apoio á lingua que nos une". O presidente da Mesa cualificou de "asneira" impropia do máximo responsábel político de Galiza falar de "blindar os dereitos dos castelanfalantes" cando é o primeiro que debería saber que a administración xa garante a atención en castelán, "blindada non só pola lexislación galega senón pola propia Constitución Española que sitúa como linguas inferiores en dereitos e deberes ás linguas propias e mentres a mesma administración non garante e vulnera sistematicamente o dereito a atención en galego". Neste punto, lembrou que o Estado español conta con máis de 500 de disposición legais que obrigan ao uso do español "mentres a pouca lexislación favorábel ao galego se vulnera constantemente con decretos coma este". "Nas queixas recibidas pola Liña do galego no 2015, o 50% tiñan relación coa administración". Maceira referiuse a exemplos concretos da exclusión do galego nos servizos públicos que se coñeceron estes días, como o do impresoe domiciliación dos comedores escolares, que exclúe o galego e só está en español-inglés; ou a información a doentes só en castelán en varios centros de saúde galegos. |
NOS_43632 | O Xulgado do Mercantil de Pontevedra ditou sentenza contra a conserveira Javimar polo uso das mencións "de las Rías Gallegas", "fabricado en Galicia" e "envasado en Galicia" nas súas conservas, sen estar amparadas pola Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia. | O Xulgado do Mercantil de Pontevedra condena á empresa Javimar, con sede en Ribadumia, pola utilización na etiquetaxe de mencións referidas á orixe, contravindo a normativa europea, e en consecuencia, ordénalle cesar no uso de tales mencións e retirar do mercado todos os produtos e material publicitario afectado. Ademais, a conserveira deberá indemnizar ao Consello Regulador coa cantidade de 15.000 euros por danos e prexuízos. Tal e como sinala a sentenza, "o esencial é que quen non forma parte da DOP non pode amosar comercialmente o produto como procedente ou vinculado con Galiza" A sentenza dálle a razón ao Consello Regulador do Mexillón de Galicia e clarifica o ámbito de aplicación da DOP (denominación de orixe protexida) , algo moi cuestionado por unha parte da patronal conserveira que importa mitílidos de terceiros países e utiliza evocacións a Galiza na etiquetaxe. Así,a defensa de Javimar argumentou que a protección da DOP só ampara o produto fresco, o xulgado asume que o regulamento comunitario é tallante ao establecer a protección dun nome rexistrado, neste caso Mexillón de Galicia, contra calquera uso comercial directo ou indirecto en produtos -calquera que sexa a súa presentación comercial- que non estean amparados pola DOP. Posto que a empresa Javimar non está inscrita no rexistro da DOP, os seus produtos non poden facer referencia a Galiza na etiquetaxe, con independencia de se o produto comercializado é Mytilus Galloprovincialis ou calquera outra especie que poida ser considerada mexillón. Competencia desleal Ademais, a resolución xudicial considera que o uso irregular da mención a Galiza nas conservas constitúe unha práctica de competencia desleal. Neste contexto, aínda que cabe recurso de apelación contra a sentenza, o presidente do Consello Regulador, Francisco Alcalde, valorou a resolución como un gran paso adiante na protección da DOP e declarou que "a Consellería de Medio Rural e do Mar e o Instituto Galego de Consumo deberían asumir un cambio de actitude neste tema, para que dunha vez por todas se actúe para erradicar os casos de ilegalidades na etiquetaxe das conservas de mexillón". |
NOS_14527 | O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) autorizou a Xunta a incluír nas normas do protocolo do lecer nocturno a esixencia do certificado covid de vacinación -ou proba negativa ou ratificación de superar a enfermidade como máximo seis meses antes-. | O requirimento do certificado Covid só se incorporará naqueles estabelecementos que opten polo máximo nivel de seguridade e, por tanto, poderán abrir até as 4 da madrugada cun 75% de ocupación máxima. Os maxistrados, segundo informou o TSXG, argumentan que a medida está "xustificada", posto que se trata de "espazos fechados, nos que se estabelecen contactos próximos e prolongados, e con escaseza de renovación do aire" e, ademais, nalgún momento é necesario retirar a máscara. O fallo sostén que os espazos de ocio son lugares "de socialización, que favorecen a relaxación da atención necesaria para manter as medidas de prevención, ao que pode contribuír o alcol". Por iso, considera que a presentación do documento identificativo de ter superado o virus ou de ter recibido a vacinación fronte a este podo ter parte de efectividade para evitar contaxios. Aliás, a conclusión da Sección Terceira do Contencioso-Administrativo do TSXG tamén ten en conta que o plan estabelece dous niveis diferentes nos que as medidas e requisitos varían -ao igual que na hostalaría en xeral-, polo que "non se pode falar dun sacrificio desproporcionado cando a exhibición do certificado se exixe para o desenvolvemento da actividade de ocio onde a entrada e o acceso ao estabelecemento é voluntario". "A medida cumpre unha función que non só é a de evitar os contaxios, senón tamén minimizar os riscos", sosteñen desde a sala que preside María Dolores Rivera Frade. Falta agora que, após esta autorización, o Goberno galego publique o protocolo no Diario Oficial da Galiza (DOG), para coñecer con exactitude como entrará en vigor, cando e se contará ou non cun período de adaptación para cumprir con todos os requisitos que se inclúen. Cada local poderá adherirse a un dos dous niveis recollidos no protocolo, que proporcionan máis ocupación e máis horario no caso de máis seguridade nos seus requisitos. A principal diferenza entre ambos os dous é o curso de formación dos empregados, que será de catro horas para adquirir as dúas ' cunchiñas', e a petición da certificado Covid-19 -vacinación, proba negativa ou recuperación da enfermidade-. No nivel 1 de compromiso, polo que se recibe unha ' cunchiña', estabelécese a ocupación máxima actual -50% en interior, 75% en exterior- e o horario límite de 3 da madrugada. O persoal traballador deberá realizar un curso formativo de dúas horas de duración. No nivel 2 de compromiso, polo que se reciben dous ' cunchiñas', fíxase unha capacidade máxima do 75% no interior e do 100% nas terrazas. Para acceder aos locais é preciso o certificado (pendente de aval do TSXG) e o horario límite será ás 4 da madrugada. O persoal terá que realizar un curso de 4 horas de duración. Un terceiro nivel para casos graves O protocolo do lecer nocturno, que foi aprobado polo Comité Clínico inclúe un terceiro nivel (do mesmo modo que a hostalería) para activar no caso de que a situación epidemiolóxica adquira gravidade. Nese caso, só poderán abrir as terrazas até o 50%, cos clientes sentados en mesas e até a 1 da madrugada. |
PRAZA_8108 | José Enrique Sotelo cancela tres contas do Concello na entidade para non ser "cómplice" dun calote para o que pide "unha solución". | Outro alcalde do PP rebelouse contra o que considera a "estafa" das preferentes. O rexedor popular de Cangas, José Enrique Sotelo, decidiu cancelar tres das cinco contas que o Concello ten en Novagalicia Banco. Foi el mesmo o que acudiu a unha oficina da entidade na súa localidade e pechou as devanditas para "non ser cómplices desta basta estafa" e asegurou que se non pechaba máis era por "problemas técnicos" con outras dúas. O Concello de Cangas pecha as contas para "non ser cómplice desta basta estafa" Sotelo anunciou a apertura dunha "nova vía de asesoría xurídica" para os afectados, ben cos propios medios municipais ou mesmo contratando outros; e que se recompilarán os casos máis rechamantes "para que a Fiscalía actúe de oficio". Pero o alcalde de Cangas pediu "unha solución" a Novagalicia Banco porque entende que un problema que "leva un ano" e aínda "non está resolto" implica que todos poidan facer "un pouco máis". "Pido un último esforzo", destacou. No entanto, Sotelo di ser consciente de que rexedores do PP da provincia de Pontevedra -presionados polas plataformas de afectados- e o propio partido están a traballar para arranxar o problema. El mesmo di que está a facer "de todo e máis", pero insiste en que non é a solución. Respecto das peticións dos colectivos para que os alcaldes do PP se dean de baixa de non alcanzarse unha solución ao problema, Sotelo atribúeas a "outros intereses". Os afectados buscan nos rexedores do PP un compromiso semellante ao feito hai varias semanaspolo rexedor e concelleiros do goberno local de Oia, que aseguraron que marcharían do PP se non se devolvían os cartos das preferentes e que acusaron o Estado e á Xunta de permitir "unha inxustiza". |
PRAZA_18756 | A piques de facer 7 anos, Praza.gal inicia unha nova etapa este 11 de decembro co redeseño do xornal e o nacemento de VINTE | A piques de facer 7 anos na rede, Praza.gal inicia unha nova etapa este 11 de decembro estreando novo deseño do xornal e plataforma web e dándolle a benvida a VINTE, unha nova revista de sociedade, cultura e tendencias que tratará de chegar a públicos máis novos.A piques de facer 7 anos, Praza.gal inicia unha nova etapa este 11 de decembro co redeseño do xornal e o nacemento de VINTEVINTE nace como un espazo desde o que "retratar e proxectar a Galicia dos anos VINTE", cunha forte aposta polos contidos audiovisuais, polas novas linguaxes e pola distribución nas redes sociais. A nova revista sae hoxe cun vÍdeo sobre a vida en Carballo da man do grupo Chicharrón, unha entrevista coa youtuber e escritora Carolina Iglesias e reportaxes sobre a cineasta Lucía Estévez e o equipo de fútbol sala que arrasa nas redes, a Unión Soviética de Sigüeiro.Outros formatos audiovisuais desenvolvidos por VINTE son o consultorio Ti fai o que eu che diga, onde Lucía Aldao, Iria Pinheiro e María Lado contestarán as inquedanzas da audiencia, ou Vinte xogando, onde un personaxe coñecido nos falará do seu videoxogo favorito e nos fará unha demostración de como se xoga. O primeiro convidado é Nuno Pico, o cantante de Oh Ayatollah! No apartado de creación, o poeta Jesús Castro publica un caderno con fotografías e anotacións da súa recente estancia en Londres. Tamén se inclúe unha serie de recomendacións a non perder no festival Novos Cinemas, que comeza hoxe en Pontevedra. E unha guía de agasallos para este Nadal que se poden mercar no pequeno comercio electrónico galego.VINTE publicará novos contidos case a diario, e terá a súa propia zona de socias/os para as persoas que se queiran subscribir e poder acceder así a distintas vantaxes e contidos premium.Novo deseño de PrazaA zona de socias e socios é tamén outra das novidades de Praza.gal, e nela ofreceranse adiantos informativos, contidos exclusivos e outras vantaxes que reforzan o valor de facerse socio de Praza, algo que tamén se facilita na nova web.A nova zona de socias e socios é unha das principais novidades da nova etapa do xornal, cuxo deseño foi renovado de maneira integral co traballo do Laboratorio NUMAXEn canto ao deseño, renovouse de maneira integral co traballo do Laboratorio NUMAX, tamén a cargo do deseño de VINTE, e está moito máis adaptado aos dispositivos móbiles, ofrecendo unha experiencia de lectura e navegación moito máis áxil e completa, ademais dunha mellor integración do contido multimedia. Chegan tamén novidades a un dos espazos máis visitados do xornal, o Fálase, que agora torna nunha liña de tempo completa no que acceder máis facilmente a toda a información.A fundación Praza Pública presentou esta nova etapa o pasado 23 de novembro en Compostela e tamén o 2 de decembro no Culturgal, cun stand no que o público puido coñecer de perto o novo deseño de Praza.gal e mais un adianto dos contidos de VINTE. |
NOS_50300 | A enredada historia da colección artística de Álvaro Gil chega a un episodio que ten toda traza de ser final. O departamento de Cultura da Deputación vén de mercar aos seus herdeiros 40 das pezas de ourivería por un importe de 2.346.000 euros, entre eles, o Torques de burela | Con cara de satisfacción informaba o responsábel de Cultura da Deputación de Lugo do acordo final á que a entidade provincial chegou coa familia de Álvaro Gil que suporá o regreso ao Museo de Lugo do que foi un dos seus principais tesouros até que os herdeiros do coleccionistas decidiron retirar as pezas. A compra custaralle ao Museo Provincial 2.346.000 euros mais 40 pezas de grande valor histórico e artístico de ourivería pasarán a formar parte da colección pública garantindo a súa exposición e participación no patrimonio común. Entre as catro decenas de pezas mercadas, datas entre 1.800 a. C. E o 400 d. C, atópanse os coñecidos torques de Burela e de Viveiro ademais do Carneiro Alado, elementos que teñen un lugar destacado na nosa historia artística. Durante catro décadas, estas pezas foron o emblema do Museo de Lugo até que no outono pasado unha sentenza xudicial do Tribunal Supremo confirmaba a titularidade d familia Álvaro Gil que optou por retiralas do centro, nunha operación cun forte dispositivo de seguridade. Desde entón, as valiosas pezas deixaron de estar á vista pública mentres diversas entidades culturais reclamaban o goce social do importante legado do coleccionista. A Deputación agarda poder mostrar ao público na Sala do Tesouro as pezas mercadas antes do remate do verán. Catro millóns menos do solicitado O responsábel de Cultura da Deputación, Mario Outeiro, sinalou que esta era "unha magnífica noticia para a cidadanía lucense xa que recuperamos como patrimonio público para gozo do pobo un destacado tesouro do patrimonio material galego" e destacou "a importancia a nivel cultural e turística destas pezas para a cidade de Lugo". O acordo pon fin a 14 anos de litixios xudiciais que se iniciaron na presidencia de Cacharro Pardo. O responsable do Museo Provincial e da área de Cultura da Deputación tamén lembrou que con este acordo final, que xa foi asinado pola familia Álvaro Gil e que a institución provincial levará ao pleno do vindeiro martes, "ponse fin a 14 anos de litixio xudicial e de desencontros entre a Deputación e a familia Álvaro Gil, iniciados no ano 1999 cando gobernaba Francisco Cacharro Pardo". A familia reclamaba 5 millóns de euros polas pezas máis 2,7 por danos e prexuízos mais, finalmente, o prezo de compra será de 2.346.200 euros que a institución pagará en cinco anualidades. |
NOS_37164 | Na noite deste domingo declaráronse extinguidos os dous fogos que afectaron o municipio de Arbo. | O incendio forestal orixinado a pasada semana na parroquia boirense de Cures continúa activo após calcinar unha superficie de perto de 2.200 hectáreas, segundo o último balance publicado pola Consellaría do Medio Rural, con datos recollidos até as 8 horas desta segunda feira. O fogo está xa perimetrado e "evoluciona favorabelmente cara á súa estabilización", precisan desde Medio Rural. Aliás, foi desactivada a situación 2 de alerta por proximidade a vivendas ao afastarse as chamas dos núcleos de poboación. Por outra parte, continúa estabilizado o incendio de Verín, principiado na parroquia homónima, que deixa até o momento actual unhas 600 hectáreas arrasadas. Cómpre lembrar que se orixinou en até unha decena de focos practicamente simultáneos e que, segundo informaron fontes da Garda Civil a Nós Diario, puideron prenderse desde un dron. O fogo de Verín puido ser provocado por artefactos lanzados desde un dron Tamén estabilizado segue o lume de Xustáns, en Ponte Caldelas, tras queimar perto de 380 hectáreas, mentres o de Saiar (Caldas de Reis), que se estendeu até Vilagarcía, levou por diante unhas 450 hectáreas antes de ser controlado. Aliás, os dous incendios de Arbo, en Mourentán e Barcela, declaráronse extinguidos contra as 23 horas deste domingo após queimaren 485 e 82 hectáreas respectivamente. Tamén se extinguiu o fogo declarado durante a madrugada en Randín, no concello de Calvos, tras arrasar 0,1 hectáreas. |
NOS_8189 | Son cen actividades, milleiros de asistentes e dous días de festa continuada. O Festigal move moita enerxía e precisa tamén mans que colaboren. Desde a organización piden colaboración para formar parte do voluntariado. | Ruxe Ruxe, Sokram, Familia Caamagno, Superoito, Caxade, Carapaus, Habelas Hainas, Maianas, O Mago Antón e Ibuprofeno teatro subirán ao escenario do Festigal mais a súa beira, debaixo, entre a xente, nas barras, atendendo preguntas... haberá moitos máis protagonistas dos que, polo de agora, se descoñecen boa parte dos nomes. Son o voluntariado do Festigal, enerxía imprescindíbel para estes dous días de festa arredor do Día da Patria no que ademais de concertos desenvólvense multitude de actividades desde presentación de libros a debates ou mostra de artesanía. Os días 24 e 25 de xullo, no campus sur de Santiago de Compostela, chega unha nova edición deste festival no que se sinte a cultura da Terra, que é festa e tamén encontro recoñecido de música e cita para se atopar no entorno do Día da Patria. Desde a organización, insisten en que, que cada anos se desenvolva un novo Festigal débese ao compromiso de voluntariado, na súa maior parte xente nova, que dedican o seu tempo a contribuír, na medida das súas pobilidades neste grande evento cultural e festeiro. Convivir e contribuír Que gañan? Pois saberse integrantes da organización dun evento de referencia, convivir con outr@s voluntari@s cos que comparten as mesmas inquedanzas, zona de acampada e outras facilidades e, para a organización, a gratificación de partillar dun traballo en equipo de maneira solidaria "con rebeldía e con alegría, coa satisfacción de axudar a construír unha Galiza con entidade de seu". Animan, polo tanto, a se anotar como voluntari@ e se implicar na organización do Festigal nas distintas quendas e nas diferentes áreas de colaboración para o que solicitan que se anote na súa web. |
NOS_20841 | Esgotadas, con avisos de obrigatoriedade que as chaman a traballar con menos de 24 horas de antelación fóra da súa quenda ordinaria e sen o descanso mínimo de 12 horas. Persoal dos PAC de Pontevedra e O Salnés exhibe as "miserias" da falta de recursos en Atención Primaria. | O Servizo Galego de Saúde contará en 2022 cunha nova categoría profesional que exercerá as súas funcións tanto en centros de saúde como en Puntos de Atención Continuada (PAC). Trátase do facultativo especialista en Atención Primaria, unha figura que a Xunta incluíu na lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os orzamentos do próximo ano e que representantes sindicais rexeitan. Por ser froito da decisión unilateral do Goberno, que optou por facela efectiva sen negociación previa na mesa sectorial, mais tamén polo empeoramento das condicións laborais que pode supor para o colectivo médico, obrigado "a cubrir dous posto de traballo co mesmo contrato", censuran desde a CIG-Saúde. Segundo avanzou a Consellaría de Sanidade, os novos facultativos especialistas en Atención Primaria buscarán "paliar o grave déficit de médicos de familia" sen afectar os que xa desempeñan o seu labor nos PAC e nos centros de saúde, malia evitarlles, aclarou, "a obriga de facer gardas". "O que é indecente é que o Sergas, durante os últimos 12 anos, non convocase as prazas de persoal médico necesarias para atender a demanda asistencial e que agora a súa medida estrela veña modificar a peor as súas condicións", cunha xornada continuada que pode estenderse até as 37 horas e agravar o benestar das traballadoras mais a calidade da asistencia sanitaria, subliñou a secretaria nacional da CIG-Saúde María Xosé Abuín. Con todo, as condicións destas prazas de nova creación aínda se descoñecen. Serán acordadas na mesa sectorial, nunha "falsa negociación" tras a imposición da Xunta desta figura sen diálogo previo. Contrato de continuidade "A información que temos é nula", sinala a Nós Diario Javier González Castro, secretario xeral de CCOO Sanidade, quen advirte, ademais, do risco de que a nova categoría de facultativo especialista en Atención Primaria veña facer "legal" e outorgarlle "carácter estrutural" a unha medida "puntual" como foi o contrato de continuidade, adoptado polo Sergas a primeiros de 2019 malia as críticas do persoal médico. O Servizo Galego de Saúde formalizou o nomeamento de continuidade co obxectivo de dotar de "maior estabilidade laboral" médicas e médicos sen praza fixa nin interinidade chamados a cubrir vacacións ou días de libre disposición do persoal de diferentes centros de saúde e a facer gardas en PAC, polo que, de entrada, observa grandes semellanzas entre unha fórmula e outra. González Castro censura que a Xunta obviase a mesa sectorial para introducir unha nova categoría profesional "por motivos de urxencia" cando "a urxencia é de hai 10 anos". Refírese a falta de persoal médico ligado aos recortes e a precariedade das condicións laborais que ofrece ao Sergas, difícil de salvar só mediante a creación dunha figura profesional. A única solución, apunta, "pasa por facer atractiva a Atención Primaria aos poucos médicos que hai. Xubílanse máis dos que rematan o MIR e moitos dos que o acaban optan por marchar ante a falta de estabilidade e de continuidade asistencial". Unha fuxida que non é nova, que agravou, cos anos, a carencia de persoal eventual substituto e acabou por impulsar solucións de urxencia como o contrato de continuidade. Esta iniciativa do Sergas motivou en xaneiro de 2019 a fundación do colectivo Precarias pola Atención Primaria da que foi parte Miguel López del Pueyo, actualmente médico no PAC de Xinzo de Limia. Na Galiza supuxo unha novidade, pero era unha figura que xa funcionaba noutros territorios con outros nomes, explica a este xornal. "En Aragón chámase Médico de Atención Continuada. Está asociado a un centro ou varios, non ten cota de cota de pacientes asignada nin se integra en ningunha equipa de Atención Primaria". Avance na precariedade Baixo o seu punto de vista é un profesional de "segunda división" que asume as condicións de traballo máis negativas dos centros de saúde e dos PAC, "sen unha cadencia de gardas nin un calendario de quendas coñecido con antelación, sen continuidade no coidado das pacientes, cun número de horas de traballo variábel, en múltiples centros e sempre a mercé da Xerencia de área". A "medida estrela" da Xunta, lembra o médico de familia da Guarda Álvaro Lamas, resultou un fracaso. A oferta foi ampla pero poucos profesionais a aceptaron "por resultar un avance na precariedade das condición laborais". Ademais, afonda, eran contratos que ao final abrían a porta a crear prazas estruturais coa dobre función que agora o Sergas atribúe á categoría de especialista en Atención Primaria que vén de anunciar. A falta de coñecer as condicións das novas prazas, Lamas destaca "o clima de medo e inseguridade que se está a xerar entre persoal eventual e interino no canto de favorecer unha situación que atraia persoal. Hai que formar os médicos do futuro pero sobre todo cativar a quen pode traballar desde xa". Pontevedra e o Salnés, paradigma do esgotamento As ausencias de profesionais médicos en centros de saúde e PAC afectan a todas as áreas sanitarias. Vacacións, baixas, xubilación e permisos puntuais quedan sen cubrir desde hai tempo "coa escusa de que non hai médicos para realizar ese labor asistencial", explica a María Armas, médica no PAC do Grove. A pasada segunda feira, día 18, manifestouse diante do Hospital Provincial de Pontevedra xunto a outras colegas e profesionais da enfermaría dos nove PAC da área de Pontevedra e O Salnés para denunciar as "miserias" que afrontan a diario ante a carencia de recursos e a negativa da Xerencia sanitaria a dialogar. Urxen iniciar unha negociación conxunta que dea solución á sobrecarga de horas, á falta de organización e ao abuso de avisos de obrigatoriedade que sofren desde mediados de agosto. Os problemas, din, non son individuais, por iso desbotan a proposta da dirección da área de sentarse a negociar con cada PAC de forma individual e insisten en reclamar unha solución común. As queixas do persoal médico, que conta co apoio do colectivo de enfermeiras e celadores, intensificáronse na recta final do verán. "Comezamos a recibir calendarios cunha sobrecarga de horas derivada de imprevistos, baixas, vacacións e xubilacións sen cubrir inaceptábel", sinala Armas. Polo incremento de horas que supón fóra da súa xornada ordinaria, pola falta de planificación das quendas de traballo e pola deriva cada vez máis acusada desas gardas, que están deixando de ser voluntarias mediante eran avisos continuos de obrigatoriedade. Gardas vía burofax "As obrigatoriedades son burofax que nos envían aos profesionais médicos que temos que facer a garda doutros compañeiros indicándonos que nos temos que presentar nunha xornada laboral que non nos corresponde, e que cada vez máis chegan con maior frecuencia e menor antelación", explica María Armas, quen sinala o caso de moitas colegas ás que o aviso lles chega de hoxe para maña, sen opción, case, de xestionar a propia vida. Esa obrigatoriedade comunícase a través de notifica.gal e vía SMS, "polo que se dá por feito que temos que estar as 24 horas pendentes do móbil e dispostas a saír de onde esteamos para realizar unha garda que non nos atinxe ao día seguinte". Neste sentido, desde os PAC exixen anticipación. "Se nos toca asumir unha obrigatoriedade porque se dá por feito que algún traballador do PAC ten que cubrir esa garda, ten que vir co mínimo de días posíbeis para que te poidas organizar". Tiven que facer máis de 24 horas até que o directivo de garda me dixo que colgara o cartel de que o Grove quedaba sen servizo médico Esta é unha das eivas que o persoal médico asocia á obrigatoriedades, mais non descoidan as coaccións que moitas veces exercen "desde arriba" para facerlles saber que o seu incumprimento pode ter consecuencias legais. Ademais da presión que supón, provoca "un enrarecemento do ambiente laboral". "Ir traballar a golpe de notificación non nos parece a mellor forma". Desde os PAC da área sanitaria de Pontevedra e o Salnés son conscientes do "grave problema de fondo" que supón a falta de persoal. "É complicado e non ten fácil solución, pero tamén entendemos que a única vía non pode ser sempre que a compañeira que acaba saír de garda mañá volva facer unha", defende Armas, quen en menos de sete días sumou dúas xornadas continuas de 24 horas ou máis. "A pasada sexta feira traballei mañá, tarde e noite. Fixen unha garda voluntaria no centro de saúde pola mañá e a garda que me correspondía tarde e noite no PAC. Ao saír o sábado pola mañá non acudiu ningún médico e tiven que facer máis de 24 horas até que o directivo de garda me dixo que colgara o cartel de que o Grove quedaba sen servizo médico. Esta terza feira entrei ás 15 horas e saín ás 15 horas do día seguinte despois da miña garda no PAC e de pasar consulta en Primaria. Nese tempo chegoume un aviso de obrigatoriedade para cubrir a baixa dun compañeiro esta quinta feira, unha baixa que se coñece desde hai unha semana". A sobrecarga é "brutal" e xeneralizada. Sen marxe de conciliación, resposta ou negociación para asegurar a calidade asistencial. "E esta situación non a vai arranxar un novo contrato profesional". |
NOS_29315 | O pleno provincial acordou disponibilizar os 100 mil euros necesarios para ampliar o horario de atención actualmente rexistrinxo medio día. O PP rexeitouno. | O acordo foi o resultado dunha iniciativa presentada polo PSdeG-PSOE que contou co apoio do grupo do BNG. Non así co do Partido Popular que rexeitou sumarse ao ofrecemento dos 100 mil euros necesarios para a ampliación do horario de atención no servizo de hemodinámica do Hospital Universitario Lucus Augusti. O rexeitamento do PP a se adherir á proposta valéulles duras críticas desde as bancadas do PSdeG. O seu portavoz, Manuel Martínez, acusounos de seren o "Poncio Pilatos do século XXI". Martínez lembrou as estatísticas publicadas polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que sitúan o número de falecementos por infarto de miocardio na provincia de Lugo "por riba da media española", un feito que atribúen á restrición imposta no servizo de hemodinámica, disponíbel unicamente en horario de oficina. O IGE sitúa as mortes por infarto en Lugo por riba da media estatal Porén, malia que desde o PP de Lugo criticaron a actuación da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, a quen dixeron que "tería sido mellor que estivese calada" cando afirmou que o hospital non contaría co servizo 24 horas, o grupo provincial non apoiou o financiamento ofrecido desde a Deputación, como tampouco a Xunta. "Mentiras e máis mentiras"; "excesos e máis excesos" segundo o voceiro do BNG, Mario Outeiro que si apoiou a iniciativa presenada polo PSdeG. Para alén de hemodinámica, o HULA agarda tamén polos prometidos servizos de radioterapia e medicina nuclear. Segundo o PP chegarán "antes de rematar o ano" mais fican pendentes desde 2011. |
PRAZA_6395 | A Audiencia de Barcelona tomba a prohibición acordada por un xulgado contra un cidadán cuxa asistencia a protestas foi vetada tras os incidentes de Can Vies. A prohibición "carece de soporte legal" e, aínda que a lei o prevese, "tería severos problemas de encaixe constitucional" | O pasado xuño o desaloxo do centro social ocupado de Can Vies, no barrio barcelonés de Sants, derivou en numerosas mobilizacións e tamén en duros incidentes entre a policía catalá e parte dos manifestantes. No marco daquelas protestas varias persoas foron detidas e, nalgúns casos, ao pasaren a disposición xudicial saíron en liberdade pero coa prohibición xenérica de asistiren a manifestacións. Nun destes casos o veto chegou a petición da Fiscalía, que dicía ter indicios da participación da persoa afectada nun delito de desordes públicas con actos de, "cando menos, obstaculización da vía pública e lanzamento de obxectos suceptibles de causar danos". A prohibición foi obxecto dun recurso ante a Audiencia de Barcelona, que vén de ditaminar que prohibir a asistencia a calquera tipo de manifestación é ilegal, sentando así un precedentes para futuros casos. A través dun auto ao que tivo acceso Praza Pública, co maxistrado José Luis Ramírez Ortiz como relator, a Audiencia lembra que o xulgado de instrución acordou "impoñerlle ao imputado a prohibición de acudir a calquera manifestación pública ou concentración reivindicativa que poida producirse na vía pública de calquera cidade ou vila de Catalunya" ata que houbese "sentenza firme". En caso de quebrantar a orde, a Fiscalía enviaríao a "prisión provisional sen fianza a fin de evitar a súa reiteración delitiva". Entre as razóns esgrimidas o xulgado de isntrución "parece marcar unha distinción entre a 'vida normal' e o 'exercicio do dereito de manifestación', no sentido de que a privación temporal do segundo non afectaría á primeira", di a Audiencia, a cuxo xuízo "tal privación constitúe un preocupante indicio dun contexto de anormalidade democrática". "Tal privación constitúe un preocupante indicio de anormalidade democrática" O dereito de reunión e manifestación, explica o maxistrado, constitúe "un instrumento para transmitir ideas e propostas, par aintentar convencer a cidadanía das mesmas e amosar a quen decide o apoio social co que conta cada proposta". "É, polo tanto, unha forma básica de control social do pder político" e, ademais, "un dereito universal básico, vinculado á dignidade humana". As leis, sinala, admiten o exercicio deste dereito "tanto nun lugar fixo ou de forma estática (concentración) como dinamicamente ou discurrindo a través dun itinerario (manifestación)". En calquera caso, "a mera ocupación do espazo público non constitúe por si soa unha alteración da orde pública, que non se define polo silencio nin pola observancia abúlica da vida colectiva, senón polo respecto aos dereitos fundamentais que, nos Estados democráticos, limitan os poderes". A Audiencia conclúe que a prohibición "carece de soporte legal" e advirte de que, aínda que a lei o prevese, "tería severos problemas de encaixe constitucional" Coa súa decisión, abonda o ditame, o xulgado "compromete nuclearmente o dereito de reunión e manifestación", toda vez que "unha manifestaicón pública ou unha concentración non son meros lugares físicos, senón modos de exercicio dun reteio fundamental". "Polo tanto, ao prohibir a asistencia a 'manifestacións públicas ou concentracións reivindicativas' ante todo se lamina o contido do dereito de reunión e manifestación". A isto, profunda o maxistrado, debe engadirse que esta prohibición "desbordaría a natureza de toda medida cautelar penal, converténdose en puro instrumento de control social, pois non estaría destinada a facilitar o proceso penal en curso, senón a conseguir resultados concretos alén deste". Para tombar a decisión a Audiencia barcelonesa engade aínda un argumento máis. A medida acordada "carece do imprescindible soporte legal, o que só pode traducirse na súa radical nulidade". Pero, ademais, aínda que houbese "unha hipotética pretensión reguladora desta sorte de medida cautelar", isto é, se o Goberno central acorda darlle cobertura legal a unha prohibición coma esta, "tería severos problemas de encaixe constitucional" por atentar contra os devanditos dereitos fundamentais. |
NOS_18854 | A Galiza é un dos territorios dentro do Estado con maior grao de privatización dos seus servizos sanitarios. Ocupa o quinto posto no ranking de sanidade 'privatizada' entre as 17 comunidades, segundo o baremo que publica a Federación de asociacións para a defensa da sanidade pública (Fadsp). A Galiza avanzou tres postos desde 2019 —de oitava a quinta— en privatización. | Alberto Núñez Feixoo despediuse na quinta feira presidindo o seu derradeiro Consello da Xunta e afirmando que unha das cousas das que máis "orgulloso" estaba dos seus 13 anos de Goberno eran "os datos en sanidade". Unha afirmación feita cando estaba a saír do forno o informe A privatización sanitaria das Comunidades Autónomas 2022, elaborado pola Fadsp. Un estudo no que a Galiza figura como o quinto territorio do Estado en grao de privatización da súa sanidade. No informe de 2019 figuraba no posto oitavo e en 2020 no sexto. Avanzou tres posicións en 'privatización' en tres anos. O Consello de Contas cuestiona os concertos do Sergas coa sanidade privada Avance privatizador O documento afonda no que cualifica como "importante e crecente" peso que está a gañar a sanidade privada e que vai da man do progresivo "deterioro" da sanidade pública, segundo o portavoz da Federación, Mariano Sánchez. O informe analiza toda unha serie de variábeis, desde o gasto en seguros privados até o equipamento de alta tecnoloxía dos hospitais privados, pasando pola porcentaxe de camas sanitarias 'privadas' ou consultas en especialistas da privada; e así até un total de oito criterios. A puntuación media no Estado, en base a estas oito variábeis, é de 20,5 puntos sobre un máximo de 37 posíbeis. A Galiza obtén 23 e sitúase coma o territorio cun "grao intermedio de privatización" que está máis perto de pasar a "elevado grao de privatización", grupo no que están Madrid, Catalunya, Balears e Canarias. Gasto en seguro privado A Galiza rexistra un gasto en seguros privados ao ano por persoa de 121 euros, mentres que o gasto sanitario de peto per cápita —aquel derivado de prestacións que non cubre o sistema público, por exemplo, odontoloxía— é de 457 euros anuais. Un de cada tres equipamentos sanitarios de alta tecnoloxía na Galiza están na sanidade privada e a porcentaxe de camas hospitalarias privadas sobre o total é de cinco de cada cen. O número de consultas anuais a especialistas do sector sanitario privado por 1.000 habitantes está en perto de 400 e a porcentaxe do gasto sanitario que se dedica a contratar con centos privados sitúase na Galiza en 6,5%. A Plataforma SOS Sanidade Pública denunciaba recentemente que "25% da atención sanitaria na Galiza xa se presta en hospitais privados". A estes datos únense os publicados por Nós Diario na quinta feira a respecto de que o Sergas derivou á sanidade privada máis de 300.000 probas diagnósticas e 117.000 cirurxiás nos últimos cinco anos. A Xunta entrega 205 millóns á sanidade privada Urxencias ao límite A xunta de persoal da área Sanitaria de Vigo denunciou esta sexta feira a "situación límite" dos profesionais do servizo de urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro polo "aumento inasumíbel" das cargas de traballo. |
PRAZA_8636 | O Goberno galego inicia os trámites para contratar unha empresa que coide ata 2015 os seus 140.000 metros cadrados de xardíns, nos que medran máis de 6.000 arbustos e 315 árbores | Non todos os complexos administrativos da Xunta son un conglomerado de ladrillo e cemento sobre asfalto. Boa parte destas dependencias oficiais, especialmente as levantadas durante os anos do fraguismo, locen abondosas zonas verdes e xardíns con non poucas especies vexetais e mesmo animais. Así, por exemplo, a pouco metros da sala na que se reúne o Consello da Xunta medran varias árbores e, ao seu carón, a auga cae en forma de pequena fervenza sobre un estanque con peixes. Do mesmo xeito, a residencia oficial de Monte Pío, vivenda do presidente, non só é unha casa que destaca pola súa arquitectura, senón tamén polo seu amplo entorno axardinado. Todas estas superficies precisan un coidadoso mantemento para, en verbas da Vicepresidencia, departamento que se encarga do mesmo, "permitir os usuarios das dependencias administrativas" e os "traballadores públicos" o seu "desfrute en condicións óptimas". Ese mantemento ten un prezo de case 900.000 euros. Con prórrogas ou modificacións o contrato podería superar o millón de euros O departamento que dirixe Alfonso Rueda vén de iniciar os trámites para contratar o "servizo de mantemento da xardinaría interior e exterior de edificios da Xunta de Galicia" para o que resta de 2013 e ata finais de 2015. Para esta fin o Goberno galego reserva unha partida de ata 735.867,77 euros que, unha vez aplicado o correspondente IVE, chega aos 890.400 euros. En caso de prórrogas ou modificacións o valor estimado do contrato pode superar os 1,5 millóns de euros para manter os xardíns de case unha quincena de instalacións en toda Galicia, a maioría en Santiago, e as xardineiras ubicadas en trinta e catro edificios oficiais. A instalación con maior superficie considerada "zona verde" é a Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada, con case 89.000 metros cadrados que teñen esta consideración. A continuación sitúase a residencia de Monte Pío, con 12.400 metros que a deixan por riba do complexo administrativo de referencia da Administración autonómica, os servizos centrais de San Caetano, que chegan aos 10.977 metros cadrados de zona verde, os cales, unha vez sumados os correspondentes "pavimentos", chegan aos 22.745 metros. Non obstante, Monte Pío e San Caetano quedan por baixo, no que a superficie axardinada se refire, do complexo de San Lázaro, construído en tempos de Fraga para acoller instalacións como o Sergas e a Consellería de Traballo. Alí as zonas verdes, con fontes e estanques, superan os 15.000 metros. A Xunta conta con máis de 140.000 metros cadrados de xardíns nos que medran máis de 6.000 arbustos, 1.200 flores e 315 árbores; nos edificios cóntanse 1.390 xardineiras Non todos estes xardíns teñen as mesmas especies vexetais, nin por variedade nin por cantidade. Así, por exemplo, en Monte Pío hai máis de 4.000 arbustos cunha altura superior a un metro, 80 árbores e 300 flores. En San Caetano as flores son máis, case 900, e cóntanse 71 árbores, 483 arbustos de máis dun metro e máis de 130 metros de setos. No que atinxe ás xardineiras, en San Caetano hai rexistradas 622, en San Lázaro máis de 200 e na residencia oficial de Monte Pío non chegan á vintena. En total a Xunta conta con máis de 140.000 metros cadrados de xardíns nos que medran máis de 6.000 arbustos, 1.200 flores e 315 árbores sen contar as 1.390 xardineiras. Para manter actualizados estes datos a Vicepresidencia pide que a empresa adxudicataria do contrato dispoña "dunha aplicación informática con comunicación web na que se manterá actualizado o inventario de plantas, árbores e arbustos" e recolla, "como mínimo, fotografía, tipo de planta, localización e a maiores, no caso da xardinaría interior, tipo e medida da maceta". O contratista terá que dispoñer, ademais, doutro sistema informático para controlar o consumo de auga para regar as plantas, que tamén serán obxecto de "labores de conservación, reposición, poda e tratamento de feridas". No caso dos estanques de San Lázo, San Caetano e a Academia de Seguridade, "controlarase o estado de salubridade da auga" e a súa "temperatura". Ademais, a empresa terá que "alimentar a fauna" e encargarse da "reposición dos peixes mortos". |
NOS_52365 | O contido máis reproducido na web da Televisión da Galiza en 2019 foi O reino suevo de Galicia, de Simón Casal. A peza foi estreada lonxe dos horarios de máxima audiencia e na segunda canle. | A Televisión da Galiza (TVG) anunciou que o contido máis reproducido na súa rede en 2019 foi o documental de Simón Casal O reino suevo de Galicia. A peza explora, da man das maiores voces expertas —como Anselmo López Carreira, Jorge López Quiroga ou Walter Pohl— o proceso de creación e caída do Reino Suevo da Galiza. Así, o documental conta nos seus dous capítulos a evolución do primeiro reino medieval de occidente. Porén, ao tempo, reflexiona sobre como se constrúe o propio relato histórico. "Para que serve a historia?", pregunta a voz narradora no epílogo. "O relato sempre é interesado, o cal non quere dicir que sexa falso", afirma María del Mar Marcos, unha das expertas. "O relato sempre é interesado, o cal non quere dicir que sexa falso", afirma María del Mar Marcos, unha das expertas. A polémica espertou nas redes sociais porque o título foi estreado 30 de setembro directamente na segunda canle e ás 23.15 horas, afastándoo das horas de máxima audiencia. Esta puido ser a razón que levou as espectadoras a procurar o contido na plataforma dixital da televisión pública. Nos días posteriores á emisión, o documental chegou á portada de Meneame.net, unha das webs máis importantes de contidos hispanos. |
PRAZA_15981 | O instrutor reabriu formalmente o caso e decidiu investigar tamén -antiga imputación- á esposa do asasino confeso. A Plataforma Feminista de Ourense censura que unha deputada ourensá do PP vexa "oportunismo político" en ligar o crime coa violencia machista O feminismo galego clamou contra o asasinato machista de Diana Quer O Colexio de Xornalistas pide que as novas sobre o asasinato "non sumen dor" á familia O delegado do Goberno organiza un encontro de Rajoy cos mandos policiais do caso para felicitalos | O feminismo galego clamou contra o asasinato machista de Diana Quer O Colexio de Xornalistas pide que as novas sobre o asasinato de Diana Quer "non sumen dor" á familia O delegado do Goberno organiza un encontro de Rajoy cos mandos policiais do caso Diana Quer para felicitalos A instrución xudicial polo asasinato de Diana Quer xa está formalmente reaberta. O Xulgado de Instrución número 1 de Ribeira acordou, nun auto asinado o martes, 2 de xaneiro, e feito público este mércores a reapertura do procedemento. Faino tras a aparición do cadáver da moza desaparecida na Pobra do Caramiñal en agosto de 2016 no lugar en que indicou o asasino confeso, inicialmente detido grazas á descrición ofrecida pola moza á que tentou secuestrar o 25 de decembro en Boiro. Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), dos feitos dos últimos días "despréndese a existencia de novos elementos fácticos" que "corroboran os indicios" que xa existían " a respecto da posible comisión dun delito de detención ilegal", ao que se engade a posibilidade de eque existise "delito de homicidio ou asasinato". Tras a aparición do corpo sen vida de Diana Quer, "existen igualmente indicios a respecto da posible comisión" de "delitos contra a súa liberdade sexual". Todos estes feitos atribúeos o xuíz a José Enrique Abuín, pero advirte de que "non pode ser desbotada no momento actual" a "participación" nos feitos da súa esposa, que tamén pasa a ter condición de investigada -antiga imputación-. A muller, segundo transcendeu, inicialmente mantivo que na noite da desaparición da moza asasinada estivera en compaña do seu home. No entanto, deu en variar esa versión, deixándoo así sen coartada. O xuíz reabriu formalmente o caso e decidiu investigar tamén -antiga imputación- á esposa do asasino confeso Abuín terá que responder tamén polo intento de secuestro en Boiro, pero non no mesmo procedemento xudicial. "No caso de tramitación conxunta podería supoñer unha excesiva complexidade ou dilación para ambos procesos, tratándose ademais de feitos deparados notablemente no tempo". Así, será o xulgado número 2 de Ribeira o que o asuma. O acusado do asasinato de Diana Quer, en prisión provisional incomunicada, terá que comparecer no xulgado este 4 de xaneiro. Ademais desta declaración e a da súa esposa, o xuíz citou tamén outras dúas persoas en calidade de testemuñas. Controversia política Y también son 2 hombres los que salvan a la segunda víctima de #ElChicle el día de Navidad....#oportunismopolitico para hablar de machismo? https://t.co/riM7xtWGjK — Ana Vázquez Blanco (@anadebande) 03 xaneiro 2018 Mentres continúa o procedemento xudicial e poucas horas despois de que numerosos concellos e os movementos feministas galegos protagonizasen concentracións e protestas de repulsa polo crime, o caso está a ter tamén unha vertente de controversia política. Así, diferentes cargos do PP deron en empregar o acontecido para cargar contra os grupos do Congreso que uniron as súas forzas para tentaren derrogar unha das medidas máis polémicas do Goberno dos populares con maioría absoluta: a prisión permanente revisable. A Plataforma Feminista de Ourense e a deputada ourensá do BNG censuraron as declaracións da popular Vázquez Blanco, que ve "oportunismo político" en ligar o crime de Diana Quer coa violencia machista Unha das dirixentes populares que o fixo foi a deputada do PP de Ourense Ana Vázquez Blanco, que este mércores volveu empregar o asunto para acusar de "oportunismo político" a Patricia Reyes, deputada de Ciudadanos, por encadrar o crime de Diana Quer no contexto da violencia machista. "E tamén son dous homes os que salvan a segunda vítima o día de Nadal", retrucou a ourensá, quen xa protagonizara outras controversias anteriores sobre cuestións de xénero. Anteriormente, en 2016, tamén dera en insinuar que a proliferación de incendios en Galicia estaba vinculada coa campaña electoral das eleccións galegas. As palabras de Vázquez Blanco foron retrucadas polas integrantes da Plataforma Feminista Galega de Ourense, a quen sinalan que "as mulleres ourensás precisamos representantes que coñezan o significado da violencia machista, que saiban diferenciar a humanidade intrínseca ás persoas das condutas machistas" e que "distingan entre o dereito a manifestar a dor e a indignación polo asasinato dunha muller vítima dunha agresión machista "do "oportunismo político". Nun sentido semellante, a deputada ourensá do BNG, Noa Presas, ve en Vázquez Blanco "falta xa non só de escrúpulos, senón tamén de formación xa non só como deputada, senón tamén como funcionaria da administación". "Máis un motivo polo que debería dimitir", agrega. |
NOS_8507 | Trátase dos cadros de Fuciños Gayoso e Martín de Barbadillo, rexedores entre 1936 e 1937. | De acordo coa recomendación da Comisión de persoas expertas constituída para asesorar o cumprimento da Lei de Recuperación da Memoria Histórica e coincidindo co 80 cabodano do golpe militar que desencadeou a Guerra Civil española (1936-1939), o Concello da Coruña vén de retirar as imaxes dos "rexedores golpistas" José Fuciños Gayoso e Hernán Martín de Barbadillo. José Fuciños Gayoso foi o primeiro rexedor da cidade após o golpe. Foi nomeado en substitución de Alfredo Suárez Ferrín, da Fronte Popular, que sería fusilado após o levantamento militar. Fuciños Gayoso participou de maneira activa na represión na cidade. En 1937 asumiu o cargo Hernán Martín de Barbadillo. Militar fiel ás tropas fascistas durante o golpe de estado. Sería sucedido en 1938 por outro militar, Juan González Regueral. |
PRAZA_15959 | A fotografia como arte tem muito de olhada treinada para, de um modo artificial, recuperarmos capacidade primigénia de fascínio que tem a criança da canaveira, voltando a topar-nos com o excecional no quotidiano, desnormalizando o extraordinário de um sorriso, as cereijas ou o azul. | Uma das fotos da série de Pasarelos, em Oroso, tiradas no ano 1968, do livro de Manuel Pazos Recordar significa, etimologicamente, voltar passar polo coração, e recordamos com inusitada intensidade ao ver as imagens de Victorino Verea Montero, o fotógrafo de Cãs, porque –como aqueles guerreiros africanos de fusil à cadeira- Victorino não apontava desde o olho mas desde o coração. A sua câmara, uma Kodak Brownie Hawkeye de caixão enviada em 1957 polo seu irmão José de Honolulu até Oroso, tem o visor na parte superior, polo qual para usá-la tinha que colocar-se no peito, à altura do coração. Dessa perspetiva foi Victorino olhando as gentes da comarca de Ordes, deixando-nos umas fotografias nas quais recordamos mais do que tinhamos esquecido. "Vê-se só com o coração, o essencial é invisível para os olhos", reza a cita de Antoine de Saint-Exupéry que abre Victorino Verea Montero. Imaxes contra o esquecemento (1), o catálogo organizado por Manuel Pazos Gómez e saído à luz quase ao mesmo tempo que Galicia máxica. Reportaxe dun mundo esquecido (2), outro catálogo onde se recolhem as fotografias tiradas entre 1965 e 1968 polo investigador danês Gustav Henningsen na comarca de Ordes, cuja memória visual dá, assim, um grande salto neste final de 2015. Disparos: Fotopoder e estética "Hai que premer o disparador con firmeza, sen moverse", explica Victorino. "Nalgunhas fotos en branco e negro sae xente sorprendida, mirando á cámara, como se lle tiveran medo ao disparo. Algúns rapaces era a primeira cámara que vían". Com uma dessas divisões das que tanto gosta o ensaismo antropológico, poder-se-ia falar de povos fotofóbicos e de povos fotofílicos; os que fugiam do obturador atrapa-almas, suspeitoso de ser uma ferramenta do poder, e os que, como aqueles miúdos da Bahía que suplicavam a Lévi-Strauss por um retrato que jamais veriam ("Tire o retrato! Tire o retrato!" (3)), intuiam que neste novo mundo o acesso à existência social parecía passar polo acesso à imagen. Gustav Henningsen relata como no seu trabalho de campo em Ardemil foi visto, primeiro, como um polícia secreta, passando a usar as fotografias para ganar a confiança dos vizinhos, apresentando-os com retratos para poder enviar aos familiares emigrados (4). Por sua parte Victorino Verea, um homem com vocação de serviço à comunidade –estivo décadas à fronte da cooperativa agrária, e posteriormente foi concelheiro da Coalición Galega por assuntos de agricultura e educação-, converteu-se numa sorte de brigadista de auto-defesa fotográfica: "tirei fotos sen flash a encamados para pedir unha pensión, superviventes da guerra… Saquei moitas fotos para renovar o título de familia numerosa. Toda a familia tiña que ir a Santiago ou a Foto Ribeira, en Ordes… Non podían ir todos xuntos e acudían a min", quem jamais cobrou um peso às famílias pobres. "Acudín a onde me chamaban andando, en bicicleta, en moto, en coche… Víñanme buscar á casa e despois traíanme de volta". E entre as vicissitudes da fotofóbia e a fotofília, Victorino ia treinando o olho. A sindrome Jeffries e a canaveira mágica "Experimentaba, era un "pillo" coa cámara. Un día fotografei cun teleobxectivo a un veciño doutra aldea cando se estaba afeitando. Ensineille a foto e non dou creto ao que estaba vendo"; eis Victorino reconhecendo-se na sindrome Jeffries, atrapado na magia da olhada. Em Rear Window, o filme de Alfred Hitchcock, o fotógrafo L. B. Jeffries –encarnado por James Stewart- rompe uma perna. Encerrado no seu apartamento, começa a fascinar-se pola contemplação do pátio de vizinhos como uma interminável obra de teatro ou filme. "Sim, a personagem era um voyeur", reconhece Hitchcock a François Truffaut, "mas não somos todos voyeurs?". "Aposto a que nove de cada dez pessoas, se vem do outro lado do pátio uma muler que se despe antes de ir durmir ou, simplestemente, um homem que está a arrumar o seu quarto, não podem evitar olhar. Poderiam olhar par aoutro lado e dizer-se: "Não me incumbe", poderiam cerrar os postigos… Mas não! Não o vão fazer, ficarão aí a olhar (5)". A técnica, a simples câmara como instrumento, situa-nos numa relação completamente diferente com o mundo (6); basta dar um catalejo de canaveira de milho a uma criança para que o entorno quotidiano se lhe revele como um mistério a descobrer e gozar. A fotografia como arte tem muito de olhada treinada para, de um modo artificial, recuperarmos capacidade primigénia de fascínio que tem a criança da canaveira, voltando a topar-nos com o excecional no quotidiano, desnormalizando o extraordinário de um sorriso, as cereijas ou o azul. John Berger ou Susan Sontag recorrem a uma categoria quase transcendental do silêncio para dar conta deste salto da vida ordinária ao mundo extraordinário da arte (7). Pola contra Bourdieu, bem mais pedestre, aponta à scholé –esse tempo de ócio roubado à urgência do trabalho- como condição social de possibilidade de contemplação do mundo como arte (8). As histórias das artistas e inteletuais das classes populares estão cheias de vocações que nascem de uma scholé acidental (a perna rota e o neno labrego que guardando cama, lhe dão umas pinturas com as que se descobre pintor), carcerária (o encerro como universidade dos trabalhadores rebeldes) ou conquistada mui duramente ao escasso tempo de descanso das obrigas diárias (as epopeias de leituras e escolas nocturnas). Victorino Verea, que sempre trabalhou de lavrador, forjou o seu jeito próprio de fotografar nessa scholé fugaz que surgia quando pousava o sacho e pegava na câmara. Os deuses do milho Preocupado por não cair no erro populista, que atribuiria ao fotógrafo "popular" conceitos estéticos que maneja o crítico "culto" para canonizar a sua obra (9), Bourdieu sustém que a fotografia popular, com a que o campesinato solenizava os momentos culminantes da existência familiar, obedece a uns princípios coerentes, mas diametralmente opostos aos da "pureza" da estética kantiana (10). Quando Victorino fala do seu trabalho, é certo, recalca a sua perícia à hora de ocultar fisionomias pouco favorecidas (um mariz mui grande, umas pernas tortas), mas parece inegável que tinha um gosto estético próprio. Há uma série de fotografias que fai em 1968 em São Romão de Passarelos que são singelamente incríveis. No meio de uma leira botada a milho, ainda baixo, Victorino Verea retrata, famílias de labregos numa atmósfera crepuscular: homens com pássaros nas mãos, rapazes com pistolas de joguete que semelham saídos de um filme de Bogdanovich… Tudo envolto num halo de irrealidade. Quiçá porque são fotografias a cor, e a nossa memória tinge retrospetivamente aqueles anos de brancos e pretos. Quiçá porque os negativos se deterioraram com os anos adulterando a cor –acaso a luz de Roma, cittá aperta não se debe à película caducada que tivo que usar Rossellini, e não por isso deixa de maravilhar-nos? Tanto tem, essa série é magnífica. Parecera que Adward Hopper passara aquela tarde por Passarelos, deixando a luz exata para acolher aquelas personagens da mitología domêstica. Ainda bem que Victoriano Verea estava lá para contar-no-lo. Noite Boa de 2015. NOTAS 1. Victorino é apresentado como o Virxilio Viéitez da comarca de Ordes em: Manuel Pazos Gómez, Victorino Verea Montero. Imaxes contra o esquecemento, Oroso, Arquivo Histórico de Imaxes do Concello de Oroso, 2015. Para uma análise antropológica de Virxilio Viéitez, também apropriada a Verea Montero: Marcial Gondar, "Self-portrait of a villaje", Photovision nº 29/2000 (1): 18-27. 2. VV.AA., Galicia máxica. Reportaxe dun mundo desaparecido. Gustav Henningsen. Fotografías etnográficas 1965-1968, Santiago de Compostela, Museo do Pobo Galego, 2015. 3. Claude Lévi-Strauss, Tristes tropiques, Paris, Plon, 1955, Cap. 3. 4. Gustav Henningsen, "Informe sobre tres años de investigaciones etnológicas en España", Ethenica: Revista de antropología, 1971 (1): 61-89. 5. François Truffaut, El cine según Hitchcock, Madrid, Alianza, 1998. 6. Como por exemplo Jack Goody explica que sucedeu com a técnica da escritura (La domesticación del pensamiento salvaje, Madrid, Akal, 1985). 7. "O momento em que começa uma peça de música revela uma chave da natureza de toda a arte. A incongruencia desse momento, comparada com o silêncio não medido, não percebido, que o precedeu é o secreto da arte…", John Berger, The Moment of Cubism, Nova Iorque, Pantheom, 1969, p. 31. "O silêncio é uma metáfora para uma visão limpa, que não interfere, apropriada para obras de arte que são impossíveis antes de serem olhadas (…)", Susan Sontag, El poder de la palabra, Ovedo, Losada/Nobel, 2004, p. 56. 8. Pierre Bourdieu, Meditations pascaliennes, Paris, Éd. Du Sevil, 1997. 9. Sobre os riscos epistemológicos à hora de abordar a "cultura popular" a cartografia de obstáculos e falhos que apontaram Claude Grignon e Jean-Claude Passeron (Lo culto y lo popular, Madrid, La Piqueta, 1992), continua a ser da máxima utilidade. 10. Pierre Bourdieu, et al., Un art moyen. Essai sur les usages sociaux de la photographie, Paris, Éd. Du Minuit, 1965. |
NOS_1440 | A portavoz do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, di que os "experimentos" xa pasaron | Anova volver facer un chamamento á unidade esta fin de semana asegurando que conta co Bloque Nacionalista Galego e con En Marea nas súas conversas cara as eleccións galegas que convocará este ano o presidente da Xunta. O líder de En Marea, Luís Villares, celebrou o que denominou de "xiro clarísimo" por parte de Anova porque, sostivo, "a cidadanía premia que as forzas se entendan". Villares referiuse de novo a estabelecer unha "cooperación horizontal" das forzas "soberanistas" e avanzou que a mellor maneira de artellala sería a través dunha "coalición" para que "ninguén perda o que lle caracteriza". Este "proxecto nacional galego" do que falou Villares e no que segue a pensar Anova para as vindeiras eleccións non figura, porén, no camiño marcado polo BNG. A forza nacionalista, a través da súa viceportavoz par- lamentar, Olalla Rodil, incidiu onte en que contan cun "proxecto propio sólido e claro" e "a mellor candidata" para "liderar o cambio político na Galiza". Con todo, Rodil apuntou que teñen "a man tendida e as portas abertas a calquera persoa que se queira sumar ao proxecto do BNG". Espazo "rupturista" "Un espazo amplo e representativo como é o Grupo Común da Esquerda é a mellor alternativa para derrotar Feixoo. En todo caso, é o tempo do diálogo entre as distintas forzas políticas", sostivo a súa portavoz Luca Chao, quen engadiu que "todos sabemos onde está o espazo central" da esquerda, sinalando a En Marea entre as forzas "irrelevantes". "Creo que o tempo dos experimentos con gasosa xa pasou", argumentou Chao. |
NOS_36627 | Aliás, desde o PSdeG afean que a Xunta dedicase os 'fondos Covid' a "cadrar contas" e non a "reforzar a asistencia sanitaria". | As forzas da oposición no Parlamento da Galiza volveron denunciar esta segunda feira as eivas no sistema sanitario público da Galiza. Por unha parte, o viceportavoz do BNG Manuel Lourenzo censurou que este "colapso" é padecido "de punta a punta do país" e, neste sentido, puxo como exemplo que este domingo no centro de saúde de Ribadeo había un só equipo médico para atender unha poboación de máis de 14.000 persoas. Nesta mesma liña, situou a realidade concreta da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés como "o quilómetro 0 deste desastre", xa que "algúns PAC que incrementan moitísimo a súa poboación, como Vilagarcía ou Sanxenxo, quedan ao descuberto sistematicamente". "Chegamos a ter que aguantar a indecencia de que o PAC de Vilagarcía deixou sen atención sanitaria a 40.000 persoas. É unha situación que traspasa todas as liñas vermellas", censurou o deputado. Perto de 1.500 persoas percorreron as rúas de Ponte Caldelas en defensa dos servizos sanitarios Aliás, Manuel Lourenzo tamén quixo rexeitar que se pretenda "naturalizar" que as persoas que soliciten cita en atención primaria "teñan que esperar entre 10 ou 15 días" ou que "aparezan para unha urxencia e lles digan que non hai médicos". Ante esta situación pediu "non resignarse a velo como normal". Ademais, manifestou que non se chegou a este punto "por ciencia infusa", senón por unha cuestión "ideolóxica, consciente e planificada". Para Lourenzo, esta conxuntura chega "despois de máis dunha década de desmantelamento de estruturas directivas, da atención primaria, de contratos precarios e de negativa de incorporar novos profesionais", así como de "xubilacións que non se cubrían a pesar de que no Parlamento xa se insistira en que se non se cubrían se chegaría a esta situación". Povisa, unha 'timba' Por outra parte, o deputado nacionalista cualificou de "gran 'timba' dos lobbies da sanidade privada" a compra do Hospital Povisa de Vigo polo grupo privado sanitario francés Vivalto Santé. Ao xuízo de Lourenzo, converteron a asistencia sanitaria a "130.000 persoas de Vigo e 1.400 postos de traballo nunha 'timba' e un negocio para as multinacionais". O comité de Povisa, indignado: "Non merecemos este trato" "Todo isto tres anos despois de que foran vendidos a un fondo norteamericano e todo isto despois de que os galegos inxectásemos 24 millóns de euros neste hospital para sanealo. Non podemos asumir isto como unha normalidade", insistiu. O PSdeG afea o uso dos 'fondos Covid' para "cadrar contas" Noutra orde, a viceportavoz do grupo socialista na Cámara, Begoña Rodríguez Rumbo, denunciou esta segunda feira que a Xunta deixou sen executar máis de 200 millóns de euros dos 'fondos Covid', que se acabaron destinando a "cadrar contas" e amortizar a débeda pública xerada, no canto de reforzar a asistencia sanitaria nos peores momentos vividos durante a pandemia. A representante socialista subliñou que, segundo Contas, se gastaron un total de 517 millóns de euros extra en sanidade no país, malia que o Estado enviou 735 millóns. Coa conxuntura existente en 2020, a deputada socialista non entende que non se destinara "cada euro" a mellorar a atención sanitaria, con "decenas de persoas morrendo diariamente" nas UCI pola Covid ou nas residencias de maiores. A deputada recordou que cando o Estado asinou os acordos para o reparto dos 'fondos Covid', o daquela presidente da Xunta e agora líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, criticaba todas as medidas adoptadas polo Goberno español e chegou a cualificar o pacto sobre os recursos adicionais como "político, non sanitario". |
NOS_57963 | Cando fala de Contos do mar de Irlanda (Xerais), o escritor e músico Xurxo Souto entusiásmase co tesouro que transmite neste seu novo libro, esa épica do mar que non tivemos e que, ao seu ver, nos corresponde. Terrícola mais virado cara ao mar, Xurxo Souto asina un libro no que se aprezan as súas marcas, a reivindicación de personaxes anónimos, a descoberta de historias, a enerxía e a emoción e unha capacidade para comunicar case sen límites. | -Libro de narrativa máis vendido do verán e máis de trescentas persoas nalgunha das presentacións. Que ten Contos do mar de Irlanda para chamar así á xente? -Na presentación, os verdadeiros protagonistas son os mariñeiros, os patróns. Vívese unha emoción compartida. En Corrubedo, poño por caso, o protagonista do acto foi o patrón José Graña, a quen lle cantamos un corrido colectivo. Nese acto unha muller levantouse e dixo que aquilo non era unha homenaxe a Graña senón a todas as mulleres e homes do mar de Corrubedo. Encantoume. Parece que todo está inventado mais todo está por facer, tamén na difusión do libro. Cando me dixeron que ía saír no mes de xullo pensei que o lóxico era agardar a setembro para presentalo mais o que aconteceu é que a xente de mar volve ás ribeiras no verán. Son lugares aos que normalmente non se levan actos literarios e teñen unha vida emocional e cultural extraordinaria. A todas esas vilas fun reclamado polas historias que conto, Corrubedo, Corme, Bueu... porque alí estaban eles, os protagonistas do libro. Presentar un libro en Compostela ou A Coruña é magnífico mais nestas vilas do mar convértese nun gran evento se o protagonista é do lugar. A emoción compartida dos veciños é única. -Como recibe a xente do mar a súa historia contada por, como di vostede, un "terrícolo"? -Percibo orgullo, emoción e a necesidade de seguir falando. Reivindico a frase do Machín de Ribeira que di que "as cousas do mar non se contan na terra, a miña palabra queda no peito" e o certo é que, ao principio, pensas que a xente do mar ten a protección gremial de non querer que conten os que non saben. Logo decátaste de que están certos de que as súas aventuras, o seu traballo, non nos interesa aos terrícolas porque o mundo do mar é invisíbel. Cando ven que a súa poesía é valorada provócase unha catarse emocional. Os terrícolas temos que demostrarlle á xente do mar que nos interesa o seu mundo e que sabemos que eles son a base da nosa sociedade, do que somos, porque até agora non existiron para nós. -Como foi ese encontro seu co mar? -Todos temos unha relación evocadora co mar. Eu son da Coruña e o mar estaba alí, ao meu carón. Aos poucos funme interesando e atopando historias. No comezo era un interese evocador, sentimental, e dinme conta de que con esa curiosidade estábame revelando contra unha gran estafa. O mar, que é central, estaba oculto e ninguén nolo contaba. Galiza é a mellor potencia europea, da ruta que pasa por diante da nosa costa só aparece o negativo, as mareas negras. No ensino, na educación, o mar non existe. Hai que rebelarse contra esta situación. Outros países teñen unha épica do mar e nós carecemos dela. Ten moito a ver estar nun Estado que ten a capital tan lonxe do mar. Temos que ser ambiciosos mesmo coas institucións autonómicas. Non abonda contar cunha consellaría de Pesca, cumpría unha vicepresidencia que englobara o transporte marítimo e interior nas rías, a construción naval... Precisamos esa soberanía. O Estado está despistado das cousas do mar. Ou facémolo nós ou seremos moi pobres no futuro. O bravú é música do noso tempo mais co cheiro de onde somos. Iso é o que quixen facer no libro -Nun correo electrónico un galego, Fran, dille desde Manchester, que nas tabernas hai argumentos que darían para a obra de calquera artista até a súa xubilación. Dou por feito que comparte a opinión... -Así é. Como terrícolo o sistema é preguntar moito, aínda que sen insistir, neses lugares de intercambio que son as tabernas, os contextos lúdicos. Á xente da terra ninguén nos fala do mar, só cando hai algún naufraxio. Mais eu non gosto da mística dos naufraxios. O mar é o que nos dá a vida. As condicións da vida nos barcos son moi duras, semella que están a convivir cunhas magnitudes que os superan mais tamén están cargados de creatividade e vida. Alí xorde alta poesía, como a de Serafín Mourelle. -Arredor do que di, a pasada semana, falando de mar e literatura, o escritor Xabier Queipo comentaba que vostede crea unha épica e no mar hai tamén historias duras e case non confesábeis para sobrevivir. Esquece a mantenta eses relatos? -Ten razón Queipo. As condicións no mar non son só duras, senón ás veces tamén de violencia. Cando o golpe militar desaparecen os grandes sindicatos do mar en Bouzas e na Coruña e, sen seguridade laboral, a xente subiu ao Gran Sol nas peores condicións. Ou pescabas ou pescabas. Que haxa unha parte dura, mesmo escatolóxica, non significa que non apareza esa outra dimensión do ser humano. Rebélome contra o realismo suxo elemental. -Vostede recolle escritos de mariñeiros, en especial o de Manuel Martínez Santomé, que valor ten esa literatura escrita polos protagonistas? -É a proba do que digo. Anos setenta, situacións complicadísimas nos barcos, tan duras que ás veces mesmo durmían vestidos para comezar a manobra en calquera momento. Santomé fai entón o relato dunha marea do Gran Sol, un documento marabilloso que el tivo a necesidade de escribir. Nos barcos líanse novelas de Marcial Lafuente Estefanía ou revistas porno mais tamén hai estes escritos do mar. Con Santomé, que era músico, descubrimos a existencia dos gaiteiros do mar, un mundo descoñecido polas propias persoas do gremio. Reivindico Xosé Iglesias, autor de Transfusión oceánica, o poeta de Cee que foi patrón e logo mercou un barco de baixura para pescar na ría. Non fai descrición, como acontecía con Novoneyra e o Caurel, o océano defíneo a el, trátase de alta poesía do mar. Dáselle menos valor polos prexuízos mais é un fito na literatura galega. -Como el, os percebeiros Paco Souto ou Suso Lista, do mar á escrita... -A potencialidade estética do mar é absoluta. O realismo máxico de Álvaro Cunqueiro non se trata de contar trucos senón de ser consciente de que vivimos en magnitudes que nos superan. Paco Souto, grande poeta, acabou sendo percebeiro e convive en plenitude coa natureza. Suso Lista con Salseiros transmite a emoción da persoa co seu labor. -Tamén á contra, escritores que foron ao mar como Valentín Carrera, Xabier Queipo, Jacobo Barros ou Xavier Paz e escribiron as súas experiencias. -Os ausentes de Castelton de Jacobo Barros foi reveladora. Todo está nesa novela, a dimensión astral do ser humano. A violencia, a tensión, a condición humana. As novelas de Xavier Paz teñen alento e fondura, como as de Queipo ou Carrera. Eu optei por escribir do mar desde a miña condición terrícola. Defendo que non é imprescindíbel subir a unha marea do Gran Sol para contar historias do mar. -A verdade é que agardaba unha presenza dominante do mar da Coruña e sorprendeume a atención aos mariñeiros de Vigo, do Berbés ou do Morrazo. O mar non sabe de localismos? -Desde o mar, a Coruña e Vigo son a mesma cidade. Como dicía Steffan Morling, "Galiza non é o fin da Terra, é o centro do mar". Son os caciques de Vigo e a Coruña os que separan porque as cidades están unidas e por iso as dúas son protagonistas. Á Coruña subiron moitos patróns de Vigo e a Vigo viñeron moitos da Coruña, é algo común entre as dúas cidades. Bouzas, no mundo do mar, é cousa aparte. Son pioneiros. A Coruña, Vigo, Cee, Celeiro, Ribeira... teñen que traballar en conxunto, comoperspectiva estratéxica para aproveitar toda a potencialidade do mar. Podemos ser pioneiros en pesca sostíbel e para iso cómpre acudir a quen máis sabe, os nosos mariñeiros. Ante a visión provinciana, Galiza é país cosmopolita. Serafín Mourelle, Lito de Pinténs ou os nosos avós andaron polo mundo e iso temos que poñelo en valor. É unha forma de coñecemento. Roubáronnos un patrimonio magnífico cando o océano está sempre aí. É o noso tesouro. -O mar rodea a súa biografía mais, como chegaron as historias? De maneira natural ou foi na súa procura? -Como músico visitei moitas vilas e falei con moita xente e as historias foron sumándose. Tamén no traballo na radio, en distintos programas. Só houbo despois que darlle corpo. A escrita deste libro partiu do documento que Martínez Santomé me pasou un día. Comecei a escribir en espiral ao seu arredor e tentei facelo de maneira honesta. Acontecía que, por exemplo, Irlanda é central na cultura galega, case unha obsesión, mais ninguén lle preguntara aos mariñeiros, que eran os que de verdade a coñecían. Aí estaba o paradoxo, como o mar se virara invisíbel para os terrícolas. Irlanda é central na cultura galega, case unha obsesión, mais ninguén lle preguntara aos mariñeiros, que eran os que de verdade a coñecían -Agora que se pon diante dos mariñeiros dos que escribe, como responden? Notan que é un dos seus? Precisou para iso documentarse moito? -Non teño ningún tipo de capacitación náutico pesqueira para falar destes temas. Documenteime, claro está, mais non quixen ser especialista. Rénxeme cando se abusa dos coñecementos. Optei por non excederme nun léxico propio. Quixen falar con propiedade mais non como alguén que coñece polo miúdo o mundo do mar. O que máis me custou foi mirar con ollos submarinos o Gran Sol, coñecer a súa xeografía, e foi Xosé Carrillo quen me deu unha clase rápida. Quixen que o libro posibilitara unha lectura fluída. -E a presenza da música? -Diante da literatura do mar que é de naufraxio, quería que fose un libro de música. Paréceme fantástico que sexa alegre. Somos un pobo de artistas e non pode haber celebración sen música. Ás presentacións vou sempre con acordeón e botámoslle unhas pezas. -Palabras como "brava" ou "bravú" aparecen en repetidas ocasións nun libro que semella tamén moi persoal. É xa unha maneira de facer, digamos que ao xurxosouto? -Non era consciente de que iso acontecía. O bravú é música do noso tempo mais co cheiro de onde somos. Iso é o que quixen facer no libro. Cunha mirada desde a ribeira, mostrar que no mar non hai fronteiras, que somos cosmopolitas que fomos sumando xeografías. Cando foi a presentación de Non temos medo de Rodri Suárez en Vigo, o crítico Ramón Nicolás falou unha das características da literatura bravú que me gusta especialmente: a reivindicación dos personaxes anónimos. Detrás do teu veciño ou veciña hai unha historia marabillosa. Para min é unha sorpresa constante e unha necesidade. Isto está presente en Contos do mar de Irlanda. -Mais tamén outras "marcas da casa", frases cortas, con ímpeto, moita enerxía, emoción intensa e conexión directa co público, neste caso, lector. -Para min, cando a escrita ten esa música frenética entendo que está ben. Na literatura nada é natural, todo é elaboración mais, de todas maneiras, esas características responden a unha forma natural de comunicación que vou perfilando ao longo dos anos. Esta entrevista apareceu no Sermos Galiza nº 114, publicado a 18 de setembro de 2014. |
NOS_31939 | Apela a un pacto pola reconstrución na Galiza e chama ao Estado para tomar nota do fortalecemento de forzas que "cuestionan o centralismo" | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, comprometeuse a traballar para "estar á altura" tras os resultado electorais do domingo que levaron á formación nacionalista a ser segunda forza --por diante do PSdeG--, de forma que en 2024 poida cumprirse "o soño" de ter, "por primeira vez, a unha muller na Presidencia" da Xunta. En rolda de prensa esta segunda feira, Pontón dixo que ten unha sensación "agridoce" ao non conseguirse un "cambio político" en Galiza, pero asegura que traballará para que as e os votantes se sintan "tremendamente orgullosos" e que nas próximas galegas poida "escribirse unha nova páxina na historia de Galiza". Así, valora que se abre unha "etapa de esperanza". "Fortalecer unha alternativa de futuro que nos permita que no ano 2024 consigamos o soño que non tivemos tan lonxe nestas eleccións", afirma. Asegura que aínda está "a asimilar" que o Bloque obtivese os seus mellores resultados nunhas eleccións, con 19 deputados --que supera a marca histórica de Xosé Manuel Beiras de 18 escanos en 1997--, mais acepta con "moita humildade" un "apoio moi motivador" e crear unha "expectativa moi ampla". "Onte non acabou nada, senón que empeza todo, empeza un traballo que nos ten que levar a que en 2024 teñamos unha alternativa fortalecida, que nos permita abrir unha nova etapa política para este país", sostén Pontón, quen defende que hai "un proxecto consolidado" cunha "alternativa clara de goberno". Ampliar a base social Pontón comezou a súa intervención dando "as grazas" aos que elixiron a papeleta do Bloque, así como ao "inmenso" e "titánico" traballo da militancia, que supón o "sostén desta organización". Remarca que "hai unha enorme ilusión" en relación á candidatura nacionalista, pois conseguiu o apoio de "moitísima xente nova que votaba por primeira vez", así como de "moitísimas mulleres que soñaban cun soño colectivo de ver por primeira vez a unha muller á fronte da Presidencia". "Hai moitas persoas que saben que estamos moi perto de que no 2024 poida producirse un cambio galego liderado por unha muller", opina. Por iso, avanza que se seguirá "ampliando" a base social do BNG "cun caudal político" marcado pola "ilusión e o inconformismo". Preguntada polo afundimento do espazo das mareas e a recollida de gran parte dese voto polo BNG, Pontón reflexionou que "os votos non son dos partidos, son das persoas", mentres mostra o seu "respecto" por Galicia en común e as e os seus votantes. Con todo, achaca a subida do Bloque ao "mérito do conxunto da organización que soubo renovarse, que soubo ver o que estaba a pasar na sociedade". Dixo, "con toda modestia", que foron "acertando" nun proceso de "incorporación de voces", unido ao "bo facer" do Bloque nas institucións nas que goberna. "Algo de mérito teriamos no BNG", indica. Acordo de país Xunto a isto, avogou por "mirar cara ao futuro" no marco dunha "situación excepcional" e "tremendamente complexa" cunha "crise sanitaria e social". Ante esta situación, tende a man para selar un "gran acordo de país", que lembra que foi unha aposta de campaña. Considera que o Bloque ten a responsabilidade de liderar unha parte da reconstrución do país e de "ofrecer unha alternativa fronte á crise". Por tal motivo, indica que "é o momento de facer política de altura" e "levantar o país desta crise". "Onte non acabou nada, senón que empeza todo, empeza un traballo que nos ten que levar a que en 2024 teñamos unha alternativa fortalecida, que nos permita abrir unha nova etapa política para este país" E é que pide que "o próximo goberno debe estar á altura da circunstancias", de maneira que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, "equivócase sen dialogar nin escoitar" propostas da oposición. Sobre este extremo, demanda que o PP non aborde a lexislatura de maneira " absolutista" ante "os tempos excepcionais" que se viven. Que o Estado tome nota Preguntada sobre a suba de partidos soberanistas nas eleccións vascas e galegas, Pontón avisou de que o Estado debe tomar nota do "fortalecemento de posicións que cuestionan o centralismo", con "forzas políticas propias" que esixen "maior respecto" e "dignidade". A líder nacionalista avisa de que "faría ben o Goberno español en escoitar" estes resultados, mentres deixa claro que o Executivo de Pedro Sánchez "ten que cumprir" co acordo co Bloque, que "foi con Galiza". |
NOS_12727 | Os humanos temos varias varas de medir a importancia que outorgamos a algunhas e a algúns dos nosos conxéneres, en vida ou despois da morte, desde as clásicas estatuas aos recentes doodle, pasando por placas conmemorativas e lápidas funerarias. | Os humanos temos varias varas de medir a importancia que outorgamos a algunhas e a algúns dos nosos conxéneres, en vida ou despois da morte, desde as clásicas estatuas aos recentes doodle, pasando por placas conmemorativas e lápidas funerarias. Unhas e outras teñen como finalidade básica lembrar certas datas, normalmente nacemento e morte, da persoa a que se refire e non soemos desconfiar de que información alí exposta, gravada na propia pedra ou en metal, poida non ser veraz. Máis non sempre é así e sucede a miúdo que achamos erros de información que non son comprensíbeis. Sucede con Murguía e sucede con Rosalía. E seguro que con moitos máis. "Non parece lóxico que no mesmo lugar onde se garda a súa memoria se expoña un dato incorrecto razón pola que debería haber algunha indicación de que a data correcta é outra". En Padrón, na casa da Matanza, na parte posterior, hai unha placa doada por Bueso Pineda, que informa "Rosalía Castro nacida en Santiago a 23 de Febrero de 1837." A placa ten data de 15 de xullo de 1900 e ignoro se na altura se barallaba a data de 23 de febreiro como día de nacemento ou é un simples erro, mais, ao se confirmar a data de 24 de febreiro e establecelo como Día de Rosalía non parece lóxico que, no mesmo lugar onde se garda a súa memoria, se expoña un dato incorrecto razón pola que debería haber algunha indicación de que a data correcta é outra. No que a Murguía se refire, o pasado día 1 de febreiro fixéronse 92 anos da súa morte, dous máis dos 90 que durou a súa vida desde que un 17 de maio de 1833 comezou a respirar o ar do Froxel (Oseiro-Arteixo) e o 1 de febreiro de 1923 deixou de tomar alento na Coruña. Unha simples resta dá noventa anos de vida ao servizo da Galiza. Hai uns meses, percorrendo os xardíns de Méndez Núñez na Coruña cun grupo de alumnos e alumnas, ao chegarmos ao busto de Murguía, unha alumna ficou sorprendidada da súa lonxevidade:– Viviu cen anos?, preguntou.Ao que respondín que non, que a súa vida transcorrera entre 1833 (o mesmo ano en que Javier de Burgos estableceu a división territorial por provincias, baseándose nas formulacións do Novo Réxime mais tomando como base a antiga división en reinos da monarquía borbónica ) e 1923 (ano en que Primo de Rivera emite un manifesto en Barcelona, recibindo a aprobación do rei Afonso XIII, para emprender unha ditadura). Foron pois 90 anos durante os cales Murguía asistiu a acontecementos fulcrais no noso devir como pobo que empezaba a deixar a amnesia para lembrar, pouco a pouco, quen era e para onde quería ir.Mais, perante a insistencia desta alumna comprobei como, efectivamente, unha inscrición, en letras douradas, que aparece sob o seu busto, lle atribúe 10 anos máis de vida. "Comprobo que se fai unha correcta transcrición do que aparece na peaña do busto de Murguía, mais non se fai referencia ao erro biográfico. Ninguén se percatou". Un pouco dubitante, pois non parecía lóxico tal erro nas datas vitais dunha das personalidades máis recoñecidas da Galiza e tendo en conta que seguramente moitos estudosos da nosa historia en xeral, e da vida de Murguía en particular, terían visitado este busto, procurei máis información no web do Concello da Coruña, na entrada Xardíns de Méndez Núñez e alí puiden encontrar a seguinte descrición sobre o monumento: "Monumento a Manuel Murguía. Autor: Fernando Cortés Bugía.Localización: xardíns de Méndez Núñez, preto do reloxo floral.Características: busto en bronce con pátina dourada sobre unha base de granito negro pulido, situado sobre unha peana a modo de pirámide de cúspide truncada, realizada en granito rosa pulido. Sobre unha das paredes aparecen as letras en bronce: "Murguía 1833-1933?. Todo tal cal eu o vira. Comprobo que se fai unha correcta transcrición do que aparece na peaña do busto de Murguía, mais non se fai referencia ao erro biográfico. Ninguén se percatou. Non sei cantos anos leva o busto de Murguía nos Xardíns, nin quen é responsábel do erro, tamén ignoro se a Murguía lle tería gustado vivir 10 anos máis, pero en todo o caso, erros como os que estamos a comentar denotan o pouco valor que lle damos ás nosas figuras históricas e, xa de paso, a nós mesmos, pois isto tamén é memoria histórica e a corrección de tal erro é, polo menos, tan urxente como a restauración dun topónimo deturpado. Os espazos públicos como os citados xardíns ou as casas museo, son lugares de aprendizado; por iso, cando ao partirmos do xardín vin ao pé dunha árbore unha fermosa etiqueta describindo a especie, fiquei coa dúbida. E el sería realmente un metrosidero aquela árbore con cabeleiras de bruxa colgadas a dous metros de altura? |
NOS_43655 | Traballadoras e traballadores de Navantia Ferrol e das compañías auxiliares iniciaron onte un novo calendario de mobilizacións para demandar carga de traballo no estaleiro, que terá "as gradas baleiras" durante este ano e o vindeiro. | O presidente do comité de empresa de Navantia, Javier Galán, alerta da falta de traballo e demanda a construción dun buque de apoio loxístico (AOR). "É a única solución, a construción dun buque que xa teñamos deseñado". Afirma que son conscientes "da necesidade que ten a Armada dun buque destas características mais estamos abertos a calquera outro tipo de buque que dea carga de traballo en 2020 e 2021". A concentración de onte dá inicio a unha serie de mobilizacións en Navantia aprobadas nunha asemblea que tivo lugar no interior do estaleiro ferrolán. O calendario previsto continuará cunha manifestación o día 20 de febreiro por varias rúas da cidade e na que está prevista a participación, tamén, de operarias e operarios de Navantia Fene e que concluirá no concello de Ferrol. A seguinte mobilización será o día 27 cunha nova concentración ante a porta de estaleiro de Ferrol e pola tarde asistirán ao pleno municipal da cidade. Para o día 5 de marzo pola mañá teñen previsto unha nova mobilización polas rúas e pola tarde as traballadoras e traballadores acudirán ao pleno municipal de Fene. Una semana despois, o día 12, haberá unha nova concentración diante a porta do estaleiro. O domingo 15 de marzo está convocada unha manifestación a nivel comarcal e para o día 26 de marzo finalizarán o calendario de mobilizacións cunha protesta conxunta con traballadoras e traballadores da antiga Astano, en Fene. Incúmprese o acordo da Comisión de emprego Javier Galán explicou aos medios de comunicación que foron moitas as persoas das compañías auxiliares que perderon o seu posto de traballo "sobre todo no gremio de aceiros, após a botadura do segundo buque AOR". En relación ao proceso de selección de novas incorporacións, Galán denunciou que a dirección do estaleiro ferrolán "non escoita" ao que se acordou na Comisión de Emprego. Asegura que "o sistema da páxina web está demostrado que non funciona polo rexeitamento de até 80% das instancias". |
NOS_47857 | O príncipe Harry vestido de nazi e os seus excesos coa bebida, a fortuna oculta da raíña, o racismo que denunciou Meghan Markle, a relación con Lady Di... Estas foron as sombras do reinado de Isabel II. | A polémica con Lady Di O "racismo" da Casa Real con Meghan Markle 'Harry o nazi' Acusacións de abusos sexuais ao príncipe Andrew Felipe de Edimburgo, conducindo aos 97 anos A fortuna de Isabel II 70 anos no trono dan para moito, tamén escándalos, e o reinado de Isabel II non foi menos. A raíña, falecida na tarde desta quinta feira canda a súa familia no castelo de Balmoral (Escocia), pasará á historia como a segunda monarca máis lonxeva de todos os tempos e cun historial que inclúe luces e sombras. A polémica con Lady Di O matrimonio do seu fillo maior, Carlos —quen será proclamado novo rei—, con Diana Spencer, quen pasou a ser coñecida para a opinión pública como Lady Di, espertou un grande interese no país ao ser ela unha personaxe moi querida. Porén, a súa separación en 1992 e a publicación nese mesmo ano do libro Diana: Unha historia real —obra de Andrew Morton— dinamitou os piares da Casa Real ao coñecerse as súas infidelidades con Camilla Shand, con quen Carlos finalmente casou e quen agora será raíña consorte. A tensa relación entre Isabel II e Lady Di provocou que boa parte da sociedade inglesa culpase a Coroa do accidente mortal que acabou coa vida da ex princesa de Gales cando fuxía dos paparazzi. O "racismo" da Casa Real con Meghan Markle O casamento de Harry, neto de Isabel II, coa actriz estadounidense Meghan Markle non gustou a boa parte da familia real. Segundo desvelou o matrimonio o pasado ano nunha entrevista televisiva, en Buckingham criticaban Markle e tiñan "preocupacións e conversas" sobre "como de escura sería a pel de Archie [o fillo de Harry e Meghan]" antes xa do seu nacemento. Ambos os dous decidiron finalmente renunciar aos seus dereitos monárquicos. 'Harry o nazi' Anos antes de casar con Markle, o príncipe Harry foi noticia en todo o mundo após publicar o xornal The Sun unha fotografía súa na que aparecía cun disfrace de nazi cando tiña 20 anos. O medio titulou na capa 'Harry o nazi' e o príncipe recoñeceu finalmente o "erro" de escoller esa vestimenta. Harry, fotografado vestido de nazi. (Foto: BBC) Harry, ademais, foi coñecido durante anos pola prensa británica por mor dos seus "excesos" coa festa e a bebida. Chegou a asistir a unha terapia de rehabilitación. Acusacións de abusos sexuais ao príncipe Andrew O príncipe Andrew, outro dos fillos de Isabel II, protagonizou un escándalo de abusos sexuais após afirmar Virginia Roberts Giuffre, de 38 anos, que o membro da Casa Real abusara sexualmente dela cando era adolescente en "múltiples ocasións" durante o ano 2001, algo que el sempre negou. Felipe de Edimburgo, conducindo aos 97 anos O rei consorte e duque de Edimburgo, Filipe, finado o pasado ano, causou polémica en 2019 após sufrir un aparatoso accidente de tráfico cando conducía, aos 97 anos de idade, un Land Rover de grandes proporcións. Non houbo vítimas mortais malia bater contra outro vehículo no que viaxaban dúas mulleres e unha bebé. A fortuna de Isabel II Sempre se polemizou no Reino Unido sobre a fortuna da monarca, cuxo patrimonio superaría os 450 millóns de euros. Aliás, o seu nome apareceu vencellado aos 'Papeis do Paraíso', que revelaron investimentos de personalidades de todo o mundo en sociedades radicadas nas Illas Caimán. |
NOS_29443 | Axentes da Policía española, Garda Civil, axentes locais e efectivos da 'Policía Autonómica' vixiarán "expresamente" que aqueles locais que se acolleron as axudas polo peche do seu establecemento permanezan realmente pechados entre esta noite e o 3 de xaneiro. | O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, reuníronse con representantes das forzas e corpos de seguridade para coordinar o dispositivo de control das medidas de prevención contra a Covid, tendo en conta as restricións aprobadas polo comité clínico e as acordadas nas reunións con representantes da hostalería e o do lecer nocturno. Policías nacionais, gardas civís, axentes locais e efectivos da Policía Autonómica "vixiarán, expresamente, que aqueles locais que se acolleron as axudas polo peche do seu establecemento permanezan realmente pechados entre esta noite e o 3 de xaneiro", sinala a Xunta nun comunicado. Santiago Villanueva dixo que o peche non se reduce á noite ou ao horario no que previamente ían celebrar festas e cotillóns, senón que debe manterse as 24 horas dos días sinalados. Na reunión mantida no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) acordouse estremar os controis nas datas de Fin de Ano e Reis para garantir o cumprimento das restricións aprobadas no último comité clínico, e que se estenden desde esta noite ata o 18 de xaneiro do 2022. "Entre outras cuestións, os axentes vixiarán que se cumpran os horarios da hostalería e do lecer nocturno, a necesidade de pedir o certificado covid nestes locais ou a prohibición de celebrar festas privadas nestas datas ou botellóns, que están prohibidos". Entre as novas medidas decretadas até o 18 de xaneiro destaca a decisión de limitar a apertura dos locais de hostalería e restauración ás 00,00 horas da madrugada, e do ocio nocturno, ás 3 horas. No caso da hostalería e a restauración, os venres e os sábados poderán ampliar os seus horarios de apertura ata as 01 horas. Ademais, será obrigatorio solicitar o certificado covid para acceder aos locais de hostalería durante todo o día, e tamén a volta da prohibición de consumir nas barras dos locais. Recórdase, ademais, que os locais deben estar ventilados e cumprir todas as normas sanitarias decretadas para o sector, así como respectar os límites de ocupación e o número de comensais por mesa. |
PRAZA_14017 | A formación denuncia que a indemnización derivada da inexecución da convocatoria por imposibilidade legal dunha sentenza firme é de maior contía. | O Partido Popular minimizara este xoves as consecuencias prácticas da sentenza do TSXG que revoga a anulación do concurso eólico. Por exemplo, a Consellaría de Economía e Industria asegurou que a lei aprobada en 2009 xa recollía a posibilidade de outorgar algún tipo de indemnización para as empresas prexudicadas pola suspensión e rexeitou as críticas polo gasto de cartos públicos que suporá a acción do goberno popular. E o deputado Pedro Arias cualificou de "alarmistas" aos partidos da oposición. Porén, Anova afirma este venres, nun informe xurídico, que os populares "confunden interesadamente" esa indemnización prevista na lei coa indemnización derivada da inexecución por imposibilidade legal dunha sentenza firme, indemnizacións que son "radicalmente distintas, non só na súa natureza senon tamén na súa contía". Segundo a formación política nacionalista, a indemnización á que se refire o PP trátase da compensación dos gastos de participación de todos os participantes no concurso cando, como é o caso, a administración convocante do concurso desiste do procedemento. Segundo Anova, será o tribunal e non o PP "o que determine dita imposibilidade legal que, no caso de ser estimada, levará aparellado indemnizacións económicas para a entidade recurrente, indemnizacións que van ser distintas e de maior contía". Porén, dado que a sentenza do TSXG anula a decisión da Xunta de suspender o concurso, "obriga necesariamente á Xunta a executala" e o Goberno galego debe formular diante do TSXG un incidente de inexecución por imposibilidade legal. Nese caso, segundo Anova, será o tribunal e non o PP "o que determine dita imposibilidade legal que, no caso de ser estimada, levará aparellado indemnizacións económicas para a entidade recurrente, indemnizacións que van ser distintas e de maior contía". Anova esíxelle ao PP que diga publicamente a canto ascenden as indemnizacións previstas lei de 2009, xa que de acordo con esa norma a Conselleria de Industria tiña o prazo máximo dun mes desde a entrada en vigor da Lei para acordar o desestimento do concurso convocado no 2008 e comunicarllo aos operadores, debendo fixar entón a indemnizacións correspondentes. |
NOS_13034 | Ex-militantes da organización política suspendida pola Audiencia Nacional acudirán a este órgano para reclamar "o dereito a fer política independentista na legalidade". | O 30 de outubro faise un ano da 'Operación Jaro', o operativo ordenado pola Audiencia Nacional e que implicou a detención de 9 militantes independentistas e a ilegalización de facto de Causa Galiza. O xuíz Eloy Velasco establecera 2 anos de suspensión de actividades para a organización independentista, unha decisión que que finalmente foi reducida a un ano, mais prorrogábel. Ese ano de suspensión vai cumprirse para o mes, finalizando esa ilegalización. Mais as persoas encausadas prevén que a Audiencia Nacional decida prorrogar a suspensión. Perante este escenario que ven como máis que probábel, as 9 persoas encausadas decidiron que van interpoñer un recurso perante a Audiencia Nacional contra a prórroga. De rexeitar a AN o recurso, acudirían ao Tribunal Constitucional para "reclamarmos o direito a fazermos política independentista na legalidade, que consideramos inviolável e prévio a qualquer ordenamento legal espanhol". |
NOS_12691 | O Real Club Deportivo da Coruña xogará a final do play-off de ascenso logo de superar por un contundente 4-0 o Linares en Riazor. Polo contrario, o Rácig de Ferrol, que necesitaba unicamente un empate para seguir os pasos branquiazuis, perdeu co Nástic e di adeus ao soño de regresar á Segunda División. | A Galiza non contará con tres equipos na Segunda División na tempada 2022/23. Real Club Deportivo da Coruña e Rácing Club de Ferrol afrontaron a primeira rolda do play-off de ascenso co común obxectivo de acompañar o Club Deportivo Lugo na categoría de prata do fútbol estatal, pero a eliminación temperá da escuadra departamental impedirá que se emule un escenario que non acontece desde que na 2004/05 coincidiran Celta, Pontevedra e o devandito Rácing. E iso que a cousa non puido comezar mellor, pois o Dépor pasou por enriba do Linares, a quen derrotou en Riazor por un contundente 4-0. Con todo, o resultado pode ser enganoso, pois durante o primeiro tempo a intensidade xienense -moitas veces excedendo os límites do regulamento coa venia do colexiado, Lax Franco-, atenazou o colectivo branquiazul. Todo cambiou cando, a piques do descanso, o árbitro por fin se decidiu a intervir indicando un penalti a prol do Dépor por man do Linares en área pequena, que materializou con facilidade Alberto Quiles. O do onubense debería figurar no dicionario futbolístico ilustrando o concepto de "gol psicolóxico" -ese tanto ao fío do descanso que cambia o rumbo dun partido-, pois desde ese momento o Dépor foi outro equipo totalmente distinto e Soriano, Bergantiños -de soberbio disparo desde a frontal da área- e Quiles de novo fecharon o encontro nun Riazor reconvertido en sala de festas. Con este bo sabor de boca o club prepárase para o decisivo duelo ante o Albacete de Rubén De la Barrera, técnico branquiazul durante a pasada tempada, un duelo morboso que o seu sucesor e actual inquilino no bando do Deportivo, Borja Jiménez, cualificou como "o máis difícil da tempada". O Rácing chegará aos 15 anos fóra da Segunda Pola súa parte, o Rácing de Ferrol, que non pisa a Segunda División desde o ano 2008, terá que seguir esperando tras quedar de novo ás portas do ascenso. Nun choque ante o Nàstic de Tarragona no que lle valía o empate, os homes de Cristobal Parralo foron incapaces de manter as táboas no marcador. No 59 Nil anotou o definitivo 1-0, pero o Rácing non baixou os brazos e, liderado por Héber Pena, intentouno de todos os modos posíbeis, pero a mala sorte e as accións do porteiro Manu García impediron o pleno galego. |
PRAZA_16562 | A porcentaxe chega ao 80% no caso das mulleres. Aínda que a pensión media se sitúa nos 12.273 euros anuais, a gran maioría dos xublilados e xubiladas galegas fica por debaixo desa cantidade. MAPA | Os concellos rurais e cunha economía baseada na produción agrogandeira teñen as pensións máis baixas | MAPA | Os concellos rurais e cunha economía baseada na produción agrogandeira teñen as pensións máis baixas A pensión media en Galicia non chega aos 900 euros mensuais (879,89 euros), ao redor de 12.273 euros anuais. Con todo, a inmensa maioría dos e das pensionistas fica por debaixo desta cantidade, sobre todo as mulleres. En concreto, 7 de cada 10 xubilados e xubiladas galegas non chega aos 12.673 euros, unha porcentaxe que supera o 80% no caso das mulleres. O 39% non chega a 8.500 euros anuais (pouco máis de 700 euros en 12 pagas), pero de novo a porcentaxe entre as mulleres elévase moito máis, ata o 45%. O 39% non chega a 8.500 euros anuais (pouco máis de 700 euros en 12 pagas), pero a porcentaxe entre as mulleres elévase moito máis, ata o 45% Hai, si, un grupo de pensionistas que percibe pagamentos máis elevados, pero son unha minoría. Apenas o 10% dos xubilados galegos cobra máis de 25 mil euros anuais, un nivel de ingresos no que existe unha gran fenda por sexo. Ao redor do 15% dos pensionistas galegos varóns están por riba desa cantidade, mentres que só o fan o 5% das pensionistas. Este sábado 17 de marzo están convocadas mobilizacións en demanda de pensións dignas en todo o Estado, con 17 convocatorias en toda Galicia (Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra, Ferrol, Noia, Pontedeume, Ribadeo, Sarria. O Carballiño, O Grove, Vilagarcía, Sanxenxo, Cangas e Tui). A CIG convocou tamén concentracións para este xoves 15. "A esixencia de vidas laborais prolongadas limita o acceso das mulleres a unha pensión", dicía Victoria Portas nesta entrevista. Ademais da fenda salarial e das menores taxas de actividade en empregos retribuídos que ao longo das súas vidas tiveron homes e mulleres, nesta diferenza inflúe a reducida contía das pensións de vuvez, situadas nos 543 euros, moi por debaixo do Salario Mínimo, deixando unha boa parte das perceptoras desta prestación por debaixo do nivel de pobreza. A perda de poder adquisitivo das pensións afecta sobre todo a aquelas persoas con ingresos máis baixos, ese 70% que non chega a mileurista e sobre todo ese 35% que recibe cada mes 700 euros ou menos As pensións foron conxeladas nos peores anos da crise e na actualidade están a subir un 0,25% anual, moi por debaixo do incremento do IPC. Esta perda de poder adquisitivo afecta sobre todo a aquelas persoas con pensións máis reducidas, ese 70% que non chega a mileurista e sobre todo ese 35% que ingresa cada mes 700 euros ou menos. Afecta tamén ás pensións do futuro. Dende hai uns anos as persoas que se xubilan xa comezan a recibir pensións inferiores ás das persoas que se xubilaban antes da crise. E, como lembraba Victoria Portas na última gran xornada de mobilización dos e das pensionistas galegas, "a xeración máis prexudicada pola crise das pensións é a que hoxe ten entre 50 e 60 anos". Todo nun país como Galicia no que máis da metade dos concellos galegos teñen máis pensionistas que cotizantes á Seguridade Social. |
QUEPASA_644 | O prazo de inscrición para participar nesta actividade, que se desenvolverá no IES Eduardo Pondal, permanecerá aberto do 19 de xullo ao 5 de agosto | A Escola Galega de Adestradores da RFGF impartirá un curso de Monitor de Fútbol Base en Ponteceso durante os meses de agosto e setembro O Curso desenvolverase no IES Eduardo Pondal de Ponteceso durante os meses de agosto e setembro en horario de 20:00 a 23:00 horas. A presentación desta nova acción formativa tivo lugar onte pola mañá na Casa do Concello nun acto ao que asistiron o vicepresidente da FGF, Juan Villamisar; o director da Escola Galega de Adestradores, Iván Cancela; a vogal da FGF na Costa, Silvia Cancela; o delegado da federación na Costa, Manuel Corredoira; o presidente do Puenteceso SD, Álvaro Domínguez; o secretario do Puenteceso SD, Alberto Recarey; o primeiro Tenente Alcalde, Miguel Ángel González e a concelleira de Deporte, Raquel Fondo. Inscricións As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición desde hoxe 19 e ata o 5 de agosto, día no que dará comezo a actividade. Tanto as solicitudes como o abono das taxas e a documentación requirida na convocatoria deberán presentarse online a través da web www.futgal.es, apartado "adestradores/escola/inscrición Online". O prezo do curso, que terá unha capacidade máxima para 35 persoas, será de 150 €. As datas presenciais concretas son: En agosto: 5, 6, 8, 12, 13, 14, 19, 20, 22, 26, 27 e 29 En setembro: os días 2, 3, 5, 9, 10, 12, 17 e 19 |
NOS_16457 | Unha fusión de rock, metal, pop e hardcore nunha mestura enerxética. Son as liñas que segue a proposta do grupo Acouga, integrado por Carlos de Castro (guitarra e voz), Gabri Fuentes (voz), Luís González (baixo) e David Martínez (batería). Chegados desde Pazos de Borbén, a banda presentou recentemente o seu primeiro tema, Novo paradigma. 'Nós Diario' conversa con Gabri Fuentes, vocalista do grupo. | —Que acollida tivo esta primeira canción? Foi unha acollida humilde. É a primeira canción que sacamos e non temos moitos medios connosco, pero aínda así foi bastante boa. Tivo moi bo feedback tanto no privado como no público. Compartírona grupos que son referentes para nós, como Machina, Broa ou Arrhythmia e nese sentido estamos moi contentos. É un primeiro paso que tiñamos moitas ganas de dar nos últimos anos. Este primeiro tema saíu un día dunha idea coa guitarra e dunha canción que xa tiña escrita, coa intención de contar a frustración que estabamos experimentando os meus compañeiros, amigos e eu a nivel vital. Mostrar esa idea de non atopar traballo, de incerteza e desa frustración xeracional, tentar trasladar estas cuestións ao terreo da música. Chamámoslle Novo paradigma porque semella que é así, aínda que realmente é o de sempre. A nivel musical fan unha mestura de diversos estilos. Carlos, David e eu somos da mesma aldea, criámonos xuntos e escoitamos música semellante, xa que somos amigos e ímola compartindo. Escoitamos de todo, desde black metal até cumbia, pasando por Bruno Mars e demais. No grupo, o que máis sae é rock, pop, metal... Todas as cancións teñen unha sonoridade semellante, algunhas partes achéganse máis ao punk, outras ao metal, as melodías e as voces seguen moi de perto ao pop... A idea é facer o que nos gusta. Se nunha canción nos apetece pór so unha vez o retrouso ou, como ocorre en Novo Paradigma, sacar o retrouso no minuto un e a segunda vez no minuto tres, facémolo. Deixámonos levar e gústanos desfrutar do proceso. É unha escusa para poder evadirnos e ter un sitio para nós, un espazo de liberdade que temos para poder facer cousas. —Como nace a banda? O grupo xorde dun desexo que xa tiñamos desde pequenos. Con quince anos era o noso soño e finalmente acabou saíndo. Houbo outras aventuras polo medio, pero decidimos que tiñamos que facer o que nos gustase e na nosa lingua. Tentamos facer música en galego sen ter que falar necesariamente do propio idioma, sen ter unha reivindicación explícita, senón cunha normalización implícita. —Que intencións teñen en mente para o futuro? Sacaremos outra canción en breve, que tamén fala do mesmo pero cun carácter máis individual e centrada nos cambios que experimentamos como xeración, contando tamén cunha ollada optimista. Logo, temos pensado ir presentando temas nos próximos meses e gravar antes de verán unha ou dúas cancións máis. Así mesmo, tamén estamos vendo se podemos organizar algún concerto agora para marzo ou abril, botar a andar xa. —O grupo sae á luz nun contexto no que o panorama musical galego vive un certo auxe. Creo que cada vez está máis aberto, non só polo feito de ter máis variedade, senón tamén no que se refire ao consumo en galego. Os éxitos que se están dando con Grande Amore, Ortiga, Arrhythmia ou Nao, por exemplo, foron un crescendo constante que dá conta de que o panorama musical galego ten moito que ofrecer e de moita calidade. Nós acabamos de comezar, pero ver que á xente que está facendo cousas na Galiza lle vai ben e que cada vez hai máis pluralidade deixa ver que hai un auxe. Tamén hai máis tolerancia. Existe ese labor común de construír no noso idioma e, aínda que non está todo por facer, está "de moda" e hai máis compromiso entre os grupos, que mesmo por estilos non teñen que ver uns cos outros. É dicir, danse unha especie de veas comunicantes entre os estilos, xa que ao estar todos a unha, confírese un panorama musical galego moi san. Se algún día nós podemos participar diso sería incríbel. |
NOS_23349 | En 2007 a Audiencia nacional española ordenou a retirada dunha publicación desta revista satírica en que Felipe de Borbón e Letizia Ortiz practicaban sexo debaixo dun cartaz dos 2.500 euros do cheque-bebé de Zapatero e cun diálogo que dicía: "daste conta? se quedas preñada, vai ser o máis parecido a traballar que fixen na vida" | "Agora o Rei fode na Xustiza". Un titular, acompañado dunha imaxe do Borbón na cama cunha muller que ten os ollos vendados e leva na man unha báscula, é a capa que a revista satírica El Jueves levará esta cuarta feira, día 15, aos quiosques. A imputación e posterior desvinculación de Cristina de Borbón no caso Nóos serve de escusa á publicación para desafiar a censura desde 2007, cando a Audiencia nacional española ordenou a retirada, por supostas inxurias á Coroa española, dun número da revista en cuxa capa aparecían Felipe de Borbón e Letizia Ortiz practicando sexo debaixo dun anuncio do cheque-bebé posto en marcha polo Goberno do PSOE e cun diálogo que dicía: "daste conta? Se quedas preñada, vai ser o máis parecido a traballar que fixen na vida". Malia que a revista seguiu empregando a imaxe dos Borbóns para a sátira, é a primeira vez que lle mete o dedo no ollo á monarquía dunha maneira tan evidente desde xullo de 2007. Daquela, e após unha iniciativa do autor pontevedrés Kiko da Silva, El Jueves chegou a mudar a súa emblemática cabeceira 'La revista que sale los miércoles' por outra que facía referencia á censura e que dicía 'La revista que secuestran los viernes'. Á retirada do exemplar dos quiosques, a publicación respostara cunha portada alternativa onde baixo o anuncio de 'Rectificamos: esta é a portada que queriamos publicar' aparece unha imaxe do fillo do Borbón caracterizado como unha abella e sobrevoando unha flor coa cara de Letizia Ortiz. Houbo outras portadas en que El Jueves xogou coa actualidade monárquica, como aquela en que, baixo o titular 'O Rei retoma as súas actividades', Sofía de Grecia aparece caricaturizada con cornos. |
NOS_13364 | O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, admite que "preocupa" o crecemento de pacientes na hospitalización convencional da Galiza. | O subcomité clínico analizará esta cuarta feira nunha reunión se "modifica algunha das medidas en vigor" actualmente no marco da pandemia pola Covid ou "incorpora algunha nova". Así o explicou esta terza o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a preguntas dos medios no marco dun acto en Verín. "A reunión será pola mañá -dará comezo ás 13.30 horas-. O que faremos, como habitualmente, será repasar a situación epidemiolóxica, coas últimas novidades, coa constatación dese incremento de casos, e con esa situación contida nos hospitais, sobre todo en UCI", manifestou. Respecto diso, o titular de Sanidade incidiu no incremento de hospitalizados en unidades convencionais "que hai que ter en conta". E, destacou que tamén se terán en conta as altas epidemiolóxicas, "maiores" as da segunda feira que as desta terza, "e o subcomité fará a súa proposta correspondente". En concreto, puntualizou que esa proposta a realizará "sobre todo no sentido de se modifica algunha das medidas agora mesmo en vigor ou incorpora algunha nova". "Até a reunión non podemos adiantar nada", sostivo. Medidas en vigor Na última reunión do comité clínico acordouse manter unha serie de medidas en vigor até o próximo 18 de xaneiro implantadas desde o pasado 31 de decembro, como a prohibición de reunións de non convivientes entre as 3,00 e as 6,00 da mañá, así como restricións de horario na hostalaría. Segundo indicou esta segunda feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, nesta reunión do subcomité avaliaranse tamén "as altas que se poden producir" e "probablemente tomar unha decisión a media semana" para que a partir do 18 haxa "un escenario concreto". Sobre as medidas actuais, o presidente da Xunta afirmou que foron "moi suaves", dado que as actividades económicas "mantivéronse ao 99%". E é que os bares e restaurantes poden abrir até medianoite -até a 1 da madrugada sextas e sábados-, aínda que o lecer nocturno pasou de pechar ás 5 a facelo ás 3 horas. Pico da sexta vaga En relación ao pico desta sexta onda, Comesaña insistiu en que a Xunta manexa "esa posibilidade" de estar "perto" de alcanzar o máximo de numero de casos activos. "Pero tamén é certo que traballamos con hipótese que corresponden a variantes non como esta", matizou. "As nosas previsións seguen apuntando nesta liña de que arredor do 15 ó o 18, quizais un pouco máis tarde esteamos nese pico de casos positivos", reiterou. Así mesmo, lembrou que, "consecuentemente, hai unha semana posterior para o pico dos casos hospitalizados, polo menos até agora, e unha semana máis para o pico de UCI". "Ben é certo que non estamos a ver ese crecemento na UCI, pero si ese incremento que nos preocupa na hospitalización convencional", concluíu o conselleiro. |
PRAZA_21090 | PP e PSOE tratarán de renovar o contrato de 2004 con outro nome e un tipo de interese máis baixo. Se os deixamos, asinarán por nós unha nova hipoteca, outra factura en diferido. Se os deixamos. Porque hai alternativa: impulsemos unha gran coalición contra a débeda | Feijóo demándalle ao Estado a condonación da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña e o impulso urxente do tren a Punta Langosteira. O novo administrador dos peiraos, Martín Fernández Prado, asente convencido. Na comparecencia conxunta, ambos dirixentes populares confirman a inminente apertura das terminais de Calvo Sotelo e Batería. Subliñan a vocación cívica destes céntricos terreos gañados ao mar e anuncian que un ente público se encargará de xestionar a operación. A escasos 300 metros, en María Pita, coinciden no esencial. A alcaldesa, socialista e ausente o luns na foto, non necesariamente por esa orde, replica que a transformación do bordo litoral da cidade ten que contar con todas as opinións e anuncia o que a ela debe parecerlle un proceso participativo. Por que todo o mundo parece falar agora como Xulio Ferreiro? É unha vitoria política da Marea Atlántica ou un síntoma de gatopardismo portuario?Por que todo o mundo parece falar agora como Xulio Ferreiro? É unha vitoria política da Marea Atlántica ou un síntoma de gatopardismo portuario?Espóiler: as dúas respostas son correctas. Esta súbita conversión das forzas políticas que maquinaron, rubricaron e defenderon durante máis dunha década os convenios de 2004, a biblia da Grande Especulación Portuaria na Coruña, é sen dúbida unha vitoria. Do alcalde Xulio Ferreiro e da Marea Atlántica, si, pero sobre todo do conxunto de persoas e colectivos que antes ca nós e canda nós desafiaron o Consenso Inmobiliario e puxeron un pé na porta para que o campo do posible, do que cabía imaxinar e discutir na cidade, ficase aberto. E aquí rematan as boas noticias, por desgraza. Todo o demais, segundo espóiler do día, serán problemas. Chamémolos riscos, se non queremos dramatizar máis do necesario. Pero chamémolos dalgún xeito porque do que non ten nome non se fala.Necesitamos un flashback antes de continuar. Volvamos a Linares Rivas, maio de 2017. Exterior/día. Primavera, para máis detalles. Catro mil persoas e un barco de cartón, a ollo, marchan pola beira da lonxa contra a privatización dos peiraos da Coruña e polo dereito a decidir. Polo dereito á cidade, en definitiva. Se isto fose unha necrolóxica, diría que cantabamos cunha soa voz e camiñabamos felices, pero isto non é unha necrolóxica senón todo o contrario. Rescato esa imaxe precisamente porque está viva. Porque permite explicar o festival de transformismo destes días. Aquela protesta, abertamente respaldada polo goberno da Marea Atlántica pero convocada polo tecido crítico da cidade co apoio de ducias de organizacións políticas e sociais, expresaba un novo sentido común.Ese sentir empezara a decantar na década anterior grazas á teimosía duns poucos pioneiros, pero estaba pegando o estirón. A impugnación do Consenso Inmobiliario, que pasaba por ser apenas dous anos antes unha extravagancia do Partido do Precariado, ía converterse axiña na posición unánime do Parlamento de Galicia. Mesmo o PSOE, o máis remiso, atrapado como estaba no bucle melancólico dun vazquismo que xa na altura se paseaba pola Mariña con outras siglas, acabaría baixando os brazos. Faltaba pouco daquela para que convocásemos o foro Tecendo Litoral, que foi primeiro unha investigación, despois un debate público e finalmente un concurso de ideas e unha consulta popular. Alí levantamos acta dese Novo Consenso Portuario. A saber: lume aos acordos de 2004, blindaxe da titularidade pública dos terreos, creación dun consorcio público para a súa transformación, mantemento dos usos produtivos, aposta polos equipamentos públicos e os espazos libres, estímulo ás economías verde e azul, tratamento integral da costa, condonación da débeda e veto á proliferación de vivendas á beira do mar.San Diego é a parte do león. Unha inmensidade. Case 380.000 metros cadrados. Varios peiraos, ademais da estación de mercadorías, compoñen unha peza tan complexa como cobizada. Non é casualidade que se vexa tan borroso o seu futuroCalquera sabe, aproximadamente dende que os romanos pasaron o rodillo, que resulta máis económico vogar na dirección do sentido común, aínda que sexa para cambialo radicalmente de destino, que desbaldir forzas contra vento e marea. E iso é o que fan agora o PP e o PSOE. Por dicilo rápido: o que explica que Beatriz Mato e Inés Rey se presentasen ás eleccións de 2019 falando de bicis, árbores e pobreza enerxética, explica agora que imiten a linguaxe do alcalde ao que trataban de derrubar. Nada novo baixo ese sol. Será moito máis útil, se queremos auscultar o tempo que está por vir e reaccionar antes de que sexa demasiado tarde, que poñamos a nosa atención nas diferenzas, nas dobreces e, sobre todo, nos silencios. Que os hai e son verdadeiramente estrondosos.Vaia por diante que a apertura de Calvo Sotelo e Batería, aínda que sexa limitada, será boa noticia. Como tamén o é que se asuma que eses terreos, prolongación natural dos Xardíns de Méndez Núñez, deben ser consagrados principalmente a usos cívicos. O problema é que a proposta que circula, sobre a que volveremos máis adiante, segue a proxectar novas edificacións e usos terciarios nunha cidade que xa é máis hospitalaria para as grandes superficies que para a hostalaría e o comercio de proximidade. E o que é aínda peor: esta concesión, que chega como chegan estas cousas no modelo de xestión portuaria que pactaron Aznar e Pujol no Hotel Majestic, coma unha sorte de dádiva feudal da comunidade autónoma á cidade, é un mondadentes. Afecta só a uns 65.000 metros cadrados. A parte do león deste debate é catro veces máis grande e mil veces máis problemática.En Valencia acaban de obrar o milagre os Orzamentos Xerais do Estado. Alí o Goberno fixo desaparecer unha condena superior aos 400 millóns que se contraera. Na Coruña hai que seguir o exemploSan Diego é esa parte do león. Unha inmensidade. Case 380.000 metros cadrados. Varios peiraos, ademais da estación de mercadorías, compoñen unha peza tan complexa como cobizada. Non é casualidade que se vexa tan borroso o seu futuro. En primeiro lugar, porque non é nada doado enfocalo. Os terreos están aínda en uso, e a alternativa, que en ningún caso serviría para o sector da pesca, do que ninguén quere falar, é o traslado das actividades a un porto exterior fanado. Punta Langosteira, lembrémolo, carece a tal hora de conexión ferroviaria. Pásalle como ao financiamento ilegal do principal partido da dereita española: ninguén se quere facer cargo. E por último, porque hai quen prefire manter sobre estas parcelas unha discreta e calculada ambigüidade. Ao cabo, é aí, á beira da Gaiteira e dos Castros, onde se proxectan, con maior ou menor sutileza que en 2004, os usos residenciais. Ou o que é o mesmo, onde se pretende facer caixa para pagar con plusvalías unha débeda que é, teceiro espóiler en menos de dez minutos, imposible de pagar.Se a débeda forma parte da ecuación, as cartas están marcadas. Manda o valor de cambio. Por iso a única saída realista a este colosal enguedelle, como argumentaba hai pouco Xulio Ferreiro, é un Pacto contra a Débeda. Sacar a hipoteca do medio. Condonala. A fórmula para facelo está inventada. En Valencia acaban de obrar o milagre os Orzamentos Xerais do Estado. Alí o Goberno fixo desaparecer unha condena superior aos 400 millóns que se contraera, sorpresa, non para unha infraestrutura de interese xeral como a nosa, senón para darlle á manivela dos grandes eventos deportivos na éxida de Francisco Camps. Na Coruña hai que seguir o exemplo. A iso debería estar dedicando o seu tempo a alcaldesa, que para iso ofertou nas municipais de 2019 un teléfono prodixioso que podía converter en investimentos do Estado todos os seus desexos. É o momento de que esa marabilla saia do caixón e nos deslumbre. Celebrarémolo cando o confirme o ministro Ábalos, socialista e valenciano, non necesariamente por esa orde. Prometido.Coa vitoria anémica de Inés Rey en maio de 2019, aupada polo efecto Sánchez, comezou a restauración da vella orde local. O réxime político-inmobiliario que liderou A Coruña durante décadas, porque as cidades sempre se gobernan en coalición, non o esquezamos, está de voltaSorprendentemente, a Universidade da Coruña cre que condonar a débeda sería unha mala noticia. Danaría, argumentan os autores do estudo, a reputación da cidade. Deben estar preocupadísimos a tal hora en Valencia. En fin. Non é a única debilidade dun traballo que, a diferenza do que se produciu no pasado mandato, apenas era coñecido até onte á tarde fóra do laboratorio no que se elaborou, no campus universitario de Elviña, e das catro paredes do pazo municipal. Como puidemos constatar hai pouco nunha visita á lonxa, entre o abraio e a preocupación, nin sequera o sector da pesca foi convidado a participar na definición do futuro do seu medio de vida. Xa non sorprende, á vista dos antecedentes, que o proceso participativo anunciado pola alcaldesa fose en realidade un formulario web para mandar suxerencias ao pazo. Benvidos e benvidas ao pasado.A recesión democrática é a tona dun cambio moito máis profundo. Coa vitoria anémica de Inés Rey en maio de 2019, aupada polo efecto Sánchez sobre os ombros dun erro histórico para a esquerda, a repetición das eleccións xerais, comezou a restauración da vella orde local. O réxime político-inmobiliario que liderou A Coruña durante décadas, porque as cidades sempre se gobernan en coalición, non o esquezamos, está de volta. A intimidade co sector do ladrillo na toma de decisións urbanísticas do Concello camiña de novo polo arame da legalidade e no pazo non se escoita outra cousa: o que vai reactivar a nosa economía, tocada pola COVID, co desemprego disparado, é a construción. A brunete mediática de Sabón non perde oportunidade de coser ese relato. Esa idea de que precisamos 10.000 novas vivendas canto antes só é a punta de lanza.PP e PSOE tratarán de renovar o contrato de 2004 con outro nome e un tipo de interese máis baixo. Se os deixamos, asinarán por nós unha nova hipoteca, outra factura en diferido. Se os deixamos. Porque hai alternativa: impulsemos unha gran coalición contra a débedaVeñen miraxes e curvas. Sucederanse os días históricos e os acordos fabulosos. Haberá fotos e titulares e non serán unicamente señores no posado, como era si ou si hai vinte anos. Abrirán Calvo Sotelo e Batería e poderemos camiñar polos peiraos. Será boa noticia. Gozaremos do terreo conquistado. Volveremos á auga. Pero mentres tanto, fóra do foco, PP e PSOE tratarán de renovar o contrato de 2004 con outro nome e un tipo de interese máis baixo. Unha ganga. Calcularán os postos de traballo que se van crear por cada metro cúbico de formigón e leremos no quiosco que as contas, esta vez si, saen redondas. Até haberá vivendas para pobres con vistas ao mar. Se os deixamos, asinarán por nós unha nova hipoteca, outra factura en diferido. Se os deixamos. Porque hai alternativa: impulsemos unha gran coalición contra a débeda, unha fronte plural, cívica e política, polo dereito á cidade. Algo que renove os votos da protesta que en 2017 percorreu a muralla do porto dende A Palloza até a Mariña e cumpra este cuarto e último espóiler: nunca teremos que escribir esa necrolóxica porque esta batalla tamén a imos gañar. |
NOS_55593 | A unha semana das primarias que escolleran o novo líder estatal da súa formación, o secretario xeral do PSOE galego solicita "deixar de lado situacións internas" e chama a participar nas primarias, que quere usar como dique contra o pachismo. | O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou á militancia galega do seu partido a "votar de forma maioritaria" e pediu "deixar de lado as situacións persoais e internas" para "agarrar con responsabilidade as rendas do partido" nos comicios que o Partido Socialista celebrará en todo o Estado o próximo día 13 de xullo, dentro dunha semana, para elixir ao seu novo líder. "As primarias abren un horizonte cheo de riscos pero tamén de oportunidades", di Besteiro sobre un partido en grave crise "Votemos de forma maioritaria o próximo domingo e demostremos con iso a forza e a utilidade que o voto segue tendo como verdadeiro motor do cambio na sociedade", manifestou durante a súa intervención na apertura do Comité Nacional que @s socialistas galegos celebraron en Santiago. "Estas eleccións internas á secretaría xeral do PSOE abren un novo horizonte cheo de riscos pero tamén de oportunidades. O que como partido decidamos nos próximos meses pode decidir o futuro do país nos próximos anos", engadiu, nun discurso que evitou a escandalosa perda de apoios que están a sufrir entre a cidadanía nos últimos anos. Alianzas Porén, malia que o discurso público de Besteiro non se sae da chamada á participación e a reactivar un partido en grave crise, a realidade indica que o líder d@s socialistas galeg@s ten un favorito claro e traballa a prol dun dos tres candidatos que optan a dirixir o PSOE a nivel estatal. Aposta por Pedro Sánchez, a mesma opción da gran maioría dos aparatos, do partido que sostén -xunto a PP- do modelo do 78. A decisión de Besteiro de sumar forzas con Sánchez tamén está relacionada co feito de que o seu principal adversario, Eduardo Madina, está aliado con rivais internos da dirección do PSdeG, isto é, o pachismo ourensán, con Pachi Vázquez e Laura Seara á fronte. |
NOS_49123 | As horas de confinamento dan para moitas cousas, en especial nos fogares con nenos e nenas. Unha das opcións para facerlles máis soportábel o encerro son as series de debuxos animados. Destacamos as nosas 10 favoritas para a rapazada. | As horas pasan lentas durante o encerro, en especial nos fogares galegos con nenos e nenas. Unha das opción para facerlles máis soportábel o confinamento son as series de debuxos animados. O Xabarin Club, que o pasado ano 2019 celebrou o seu vixésimo quinto aniversario, conta cunha ampla oferta de programas para que as máis peques da casa poidan entreterse no noso idioma e de forma gratuíta, a través da súa canle de Youtube e do seu portal na internet, Xabarin.gal. Entre todos eles, destacamos as nosas 10 favoritas: 10. Braulio Tuber: Dentro da moda dos youtubers, o Xabarín non podía quedar atrás, e coa axuda de Braulio, un dos personaxes de Os bolechas, visita escolas de distintas vilas de toda Galiza. 9. Wolverine e os X-Men: Marvel leva á animación unha nova versión das aventuras do equipo de superheroes creados por Stan Lee 8. As aventuras de Minchi: Producida pola propia Televisión da Galiza, o programa narra a vida de Minchi, unha cría de lagarta coqueta e divertida que soña con ser artista que, ademais, é a mascota de Dani, un neno de 7 anos que adora os réptiles. 7. Os vixiantes do Camiño: Creada por Miguelanxo Prado e Suso Iglesias, está protagonizada pola mascota do programa e inspirada no Camiño de Santiago, presentando en clave de humor unha crítica ás corporacións multinacionais e unha promoción da conservación do patrimonio, sendo unha das producións galegas pioneiras no uso da animación convencional 2D. 6. Os Axóuxeres: Conta a historia dunha divertida familia de monecos que vive nunha mesa no dormitorio dun neno e que está formada polos pais (Lúa e Antón), tres fillos (Iria, Xan e Pelouro), un amigo dos rapaces (Moncho) e R01 (Roi), un extraterrestre acabado de chegar á Terra. Producida por Área 5.1 Factoría Audiovisual, esta serie está especialmente desenvolvida para fomentar a creatividade en galego das crianzas entre 0 e 6 anos. 5. Cocorico: Cocorico é un pitiño curioso, rebuldeiro, inocente e bo; algo testán e con ganas de aprender e probalo todo. Na compaña da súa panda: o porco Comechón, a ovella Vellocina, o rato Mus ou o pato Cuá vive numerosas aventuras nas que non sempre é doado atopar o camiño axeitado a seguir. Mais para iso están Mamá Galiña, Don Cadelo, o galo Crechas e a carteira Tartaruga, que tratarán de que Cocorico aprenda o que é a vida e estea seguro fronte as trampas, perigos e estrataxemas que os malvados Gato Pelado, raposa Vulpa e o gavián Voraz, crearán para poder papalo. 4. A tropa de trapo: Protagonizada por Mumu, Rita, Milo, Talalo, Olga e Alfred, conta as divertidas aventuras dun grupo de mascotas de trapo baseadas na longametraxe de factura galega do mesmo nome. Está orientada a un público entre os 3 e os 7 anos 3. Caracois: Realizada a través da técnica stop-motion, está dirixida a un público de entre 2 e 4 anos de idade, reflectindo en cada capítulo -de seis minutos de duración- como Caracol e Caracola descobren no seu xardín sorpresas e emocións polos misterios que depara a natureza e o mundo. 2. Os Bolechas: Os Bolechas son, desde hai 20 anos, a revelación editorial na Galiza e, á súa vez, os protagonistas da máis importante e afamada serie da nosa literatura infantil. Con máis de 400 títulos publicados e preto de 1.500.000 exemplares distribuídos, causan furor e contan cunha verdadeira lexión de seguidores entre as máis pequenas, o que os converteu nun auténtico fenómeno cultural galego. 1. As cancións do Xabarín: Denominadas oficialmente Xabaclips, o Capitán Araña dos Def con Dos; Socio, busca un socio do Vello Almorth; Estou na lavadora, de O Caimán do Río Tea; ou Que calor! das Aerolíneas Federales, que xa fixeron as delicias dos seus pais e nais hai 25 anos, fascinarán á rapazada de hoxe. |
PRAZA_7998 | Os conservadores rexeitan unha proposta coa que o BNG, apoiado polo resto da oposición, reclamaba resolver o contrato de colaboración público-privada do novo hospital de Vigo | Xa hai tempo que a Consellería de Sanidade amosa os seus rexistros de listas de espera de dous xeitos: "con POVISA" e "sen POVISA". Deste xeito, o departamento sanitario da Xunta vén admitir abertamente o lastre que supón para o Servizo Galego de Saúde a dependencia deste centro privado, integrado no sistema público polo sistema de concerto e que é o centro hospitalario de referencia para unhas 100.000 persoas da área de Vigo. Nos últimos datos dispoñibles, de decembro de 2012, a lista de agarda cirúrxica "sen POVISA" é de 63,6 días, pero sobe ata os 83,4 ao incorporarse o centro vigués. A razón é que o centro privado acumula agardas de 201,2 días. Malia estas evidencias, o PP aproveitou este mércores un debate parlamentario sobre o novo hospital de Vigo para gabar a "calidade" de POVISA. O pleno abordaba unha proposición non de lei coa que o BNG apostaba por resolver o contrato público-privado para erguer e poñer a funcionar o novo centro. Un dos argumentos do Bloque para rexeitar o proxecto gobernamental é que a empresa privada que o leva adiante reduciu as dimensións do futuro hospital "para que POVISA siga tendo carta de natureza en Vigo", xa que o proxecto orixinal, do bipartito "ía eliminar a necesidade" de recorrer ao concerto coa privada", di Carlos Aymerich. Pola banda do PP o seu voceiro, Miguel Santalices, aproveitou a súa intervención para realizar unha acendida defensa do policlínico vigués, que mesmo chegou a ser investigado polo Valedor do Pobo a causa das súas disparadas lista de espera. As listas de espera de POVISA, que superan os 200 días, chegaron a ser investigadas polo Valedor do Pobo Segundo Santalices POVISA é un centro "complementario" ao sistema público que "presta unha asistencia sanitaria de calidade". Por iso os conservadores "confían" en que a futura lei de garantías, que permitirá a libre elección de hospital, "sirva para que POVISA teña unha adscrición voluntaria de poboación". Pola contra, acusa, os grupos da oposición "o que queren é pechar POVISA" e así "llo dixeron aos membros do comité de empresa" nunha recente reunión, acusa. O persoal dese hospital "non marchou satisfeito" das xuntanzas co Bloque, con AGE e co PSdeG, asegura, mentres que o PP lles deu garantías sobre a súa continuidade. "O BNG non quere que acabe a sanidade privada, o que non queremos é que ocupe o lugar da pública", retrucou Aymerich, quen lamenta ademais que o Goberno galego teime en seguir adiante co sistema público-privado aínda que a concesionaria "xa incumpra os prazos" e tampouco libere o Goberno galego dos riscos financeiros, toda vez que Sanidade xa tivo que "ir buscar financiamento ao Banco Europeo de Investimentos e ao ICO". "O rescate procede cando así o esixe o interese público" segundo as normas que regulan a concesión e "o que cabe agora xa é resolver o contato, porque hai un incumprimento das obrigas esenciais da empresa contratista; nin dá financiado a obra nin cumpre os prazos". Así e todo, a proposta non sairá adiante e todo seguirá igual no proxecto tras un debate no que a presidenta da Cámara, Pilar Rojo, accedeu a retirar a expresión "amado líder" referida ao alcalde de Vigo, Abel Caballero -pronunciáraa Santalices- e aproveitou para facer o propio con "presidente vaidoso", neste caso referido a Feijóo. |
PRAZA_6529 | Teresa Gómez-Limón, deputada madrileña que deixou o PP pola súa xestión do accidente ferroviario, cualifica de "indigno" a Rafael Catalá, secretario de Estado de Fomento no momento do sinistro, ao que acusa de ser "responsable político" da traxedia de Compostela. | Teresa Gómez-Limón é deputada da Asemblea de Madrid. Pertence ao grupo mixto logo de que hai un mes abandonase o PP por diversos motivos, pero fundamentalmente pola negativa do que era o seu partido a crear unha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois ou pola "represión" sufrida polas vítimas no acto de homenaxe en Compostela, onde parte delas foron vetadas tras enviarlles os antidisturbios. Porque esta política é unha vítima do tráximo sinistro ferroviario e membro da plataforma Vítimas Alvia 04155, unha das máis activas na loita por depurar responsabilidades. O mesmo colectivo que vén de mostrar a súa "indignación e rexeitamento" polo "indecente nomeamento" como novo ministro de Xustiza de Rafael Catalá, secretario de Estado de Infraestruturas de Fomento no momento do accidente, e que chegou a "presionar" a Gómez-Limón para que non criticase a Renfe e Adif durante a súa convalecencia, segundo denuncia esta muller que explica en Praza con detalle a súa fonda decepción co Partido Popular e co Goberno de Mariano Rajoy. Por que esa repulsa ao novo ministro de Xustiza? Por varias razóns. A primeira delas porque mentiu sendo secretario de Estado de Fomento cando dixo que a liña non era de alta velocidade, cando iso era o que dicía o BOE e cando foi o que se demostrou en sede xudicial, tanto por parte dos declarantes de Adif, como polos peritos ou polo propio xuíz. En segundo lugar porque Rafael Catalá estivo interceptando e non facilitando a investigación xudicial. O maxistrado tivo que requirir en numerosas ocasións a Adif e a Renfe, dependentes de Fomento, para que lle eviasen documentación que chegaba tarde, mal e incompleta. El é responsable de todo isto, pero tamén é responsable político do desastre que se produciu porque cando se decidiu desconectar o sistema ERTMS, que puido evitar o accidente tal e como afirmaron os peritos, el xa era secretario de Estado de Infraestruturas. "O novo ministro de Xustiza é responsable político do desastre de Angrois; el era secretario de Estado de Fomento cando se decidiu desconectar o ERTMS" A plataforma de vítimas á que vostede pertence tamén lle censura algunhas polémicas declaracións... En xullo de 2013, aos poucos días do accidente, afirmou no Faro de Vigo que non podía falar mal da alta velocidade porque iso complicaba os negocios de España. E isto fíxoo cos mortos aínda quentes, con máis de 140 persoas feridas e moitas delas loitando entre a vida e amorte. Foi daquela cando fixo esas declaracións, algo que ten que ver con todas as vítimas, pero a min persoalmente tamén me ofendeu. Por que? Chamoume persoalmente, cando acababa de chegar á miña casa en Madrid logo de oito días na UVI. Presionoume para que non falase mal de Renfe e toda a miña familia foi testemuña diso. Díxome que como era posible que unha deputada do PP puidese dicir esas cousas. E fíxoo ademais nun momento no que eu estaba moi enferma e totalmente vulnerable. A miña familia indignouse, e é lóxico. "Rafael Catalá é un señor indigno; presionoume estando convalecente para que non criticase a Renfe" Cal foi a súa reacción daquela? Ese señor parécenos indigno. O que tería que ter feito, e xa o solicitamos desde a plataforma hai tempo, era dimitir do seu cargo de secretario de Estado de Fomento, algo que tería pasado en calquera país civilizado. Pero non só non dimitiu, senón que foi ascendido a ministro e, nada máis e nada menos, que de Xustiza. Non é unha broma, é algo que só ocorre en España e que non pasaría en ningún país da UE. "Nun país civilizado, tería dimitido tras o accidente de Angrois, pero non só non o fixo, senón que foi ascendido a ministro" Desde a plataforma tamén din "temer" que o nomeamento "poida interferir no proceso xudicial". Confiamos no xuíz Aláez porque buscou xustiza e confiamos no de agora tamén. Cando o caso chege a altas instancias, a aquelas que dominará o Goberno, confío en que o PP xa non goberne. Esa é a miña esperanza. "Non queríamos medallas senón entrar na homenaxe, pero mandáronnos os antidisturbios.. Feijóo tamén é indigno" Tanto a plataforma como vostede foron tamén moi duros coa actitude de Núñez Feijóo na homenaxe ás vítimas en Compostela. Falou con el? Nunca falei con el. Molestoume a súa actitude, pero con esta xente do PP un vai de asombro en asombro. No caso daquela homenaxe oficial, nós achegámonos advertindo que non queríamos recoller medalla ningunha porque nós non eramos heroes, senón uns pobres enganados aos que nos dixeran que aquel era un tren de alta velocidade, pero de alta velocidade só tiña a velocidade e nada máis. Os heroes eran os veciños de Angrois, os bombeiros, os voluntarios... Pedimos asistir ao acto e non só non nos deixaron entrar, senón que nos mandaron aos antidisturbios. Foi unha decisión que dependía da Delegación do Goberno, pero se viñeron foi porque Núñez Feijóo o aceptou, senón non os mandaban. O presidente da Xunta é un ser indigno e son xa moitos no PP, partido no que grazas a deus xa non estou. Fixemos unha carta moi dura contra a súa actitude, pero non contestou... E non o vai facer, claro que non vai contestar. "Cando o caso chegue ás altas instancias xudiciais, aquelas que domina o Goberno, confío en que o PP xa non estea gobernando" Falou con xente do PP para dicirlles todo isto á cara? Tiven ocasión de falar con xente da Asemblea de Madrid. Eu xa pedira explicacións a Mariano Rajoy polo tema da Gürtel e os sobres en negro. Eu non cobrei na miña vida nin un sobre nin nada que non fose legal e indignoume todo aquilo. A resposta do PP foi chamarme desleal e todo iso coincidía coa miña indignación polos continuos incumprimentos de programa e as mentiras á cidadanía, pero o do tren foi o colmo. A súa actitude e aforma de xestionar o accidente desde o minuto un non me gustou nada. Negaron todo, negaron unha comisión de investigación e incluso que houbese fallos cando os peritos así o dícían. No momento que nos mandaron os antidisturbios a Compostela, decidín marchar. Daquela sentinme mal e deixei todo. Síntome moi agredida como cidadá. |
NOS_51933 | Arrincan as xuntanzas oficiais para confecionar unha alianza que esperta temores xa que pode crear un espazo dominado por un eixo entre Washington, Berlín e Londres aínda menos interesado en calquera tipo de cohesión económica e que igualaría a lexislación europea coa estadounidense. | Comeza un proceso de grande alcance e incertas consecuencias. Durante toda esta semana, en Washington, decorrerán as primeiras xuntanzas entre unha delegación da Unión Europea e outra de Estados Unidos para redactar o que chaman Acordo Transatlántico de Comercio e Inversión, ou simplemente Tratado de Libre Comercio, un trato que suporía un importante cambio nas relacións económicas entre ambos axentes e que pode significar un reforzo aínda maior para as políticas neoliberais que están a aplicar ambas partes, que actualmente se atopan en medio dunha forte crise que semellan querer aproveitar para recuperar terreo de dominio internacional no caso norteamericano e para profundar nun modelo hiper-capitalista no que respecta a Bruxelas. O acordo -que podería asinarse o próximo ano, logo de varias xuntanzas máis- entre a Unión Europea e Estados Unidos pode incluír cuestións moi na liña da actual globalización, como a eliminación de calquera barreira legal entre os dous ámbitos, por exemplo nos movementos financeiros. Fontes da UE xa recoñeceron ter "un interese moi claro de traballar con Estados Unidos para facer máis compatíbeis os sistemas normativos e de regulación tamén en sectores como o automobilístico, farmacéutico e químico, por exemplo promovendo unha maior equivalencia nas normas". Pero o futuro tratado, xa provoca enormes sospeitas en distintos sectores. Segundo lle confesou ao xornalista Luís Villamor hai uns meses Xavier Vence, voceiro nacional do BNG e economista, "o acordo de integración para crear unha zona de libre cambio que abranga Europa e América do Norte muda radicalmente o enfoque da UE, cuxo espazo de integración xa non é Europa, senón Euronorteamérica, onde o que puidesen ser esforzos para consolidar unha certa cohesión no espazo europeo desaparecen. Neste escenario europeísta non hai futuro". O Tratado podería levar consigo a homologación das condicións que rexen nos respectivos mercados laborais, con clara perda de dereitos para as e os cidadáns europeus Así, a creación dun mercado común entre a UE e Estados Unidos que esta semana comezou a redixirse e negociarse pode concretarse na consolidación dun eixo Washington-Berlín-Londres, co Reino Unido buscando na alianza "natural" cos EUA para se sentir máis cómodo do que está coa Europa continental e no que tamén intentará ocupar un lugar de privilexio Francia, mentres que o resto quedará definido como periferia dominada, en maior o menor grao. Seguramente en maior no caso galego, en vista dos precedentes. Diversas organizacións e observatorios teñen amosado outras reticencias sobre o que pode deparar este tratado xa en fase inicial de negociación definitiva. Existe temor sobre os dereitos laborais, que poderían baixar até os escasos niveis dos EUA, así como podería abrirse a porta a prácticas aínda agresivas coa natureza, sen precaución ecolóxica ningunha. A seguridade e soberanía alimentaria tamén quedaría moi lonxe dos obxectivos do acordo, así como certa protección cultural. Tamén en materia de dereitos civís o tratado esperta reticencias. Nese sentido, non deixa de resultar significativa a normalidade -hai quen di "submisión"- coa que a UE comeza estas negociacións con Estados Unidos, malia terse coñecido hai moi pouco os graves casos de espionaxe por parte norteamericana en Europa. Se cadra, esa actitude encerra unha clara pista sobre onde vai ir ese futuro tratado. |
PRAZA_8517 | A verdadeira loita que está a consumir o rédito político de Feijoo, xa antes da exclusiva das fotos malditas daquel verán, é contra todo un Partido Popular que está a descomporse de arriba á abaixo o mesmo que o World Trade Center despois do bombazo Bárcenas en plena cúpula. | Dá a sensación de que por fin apareceu o verdadeiro Feijoo Dá a sensación de que por fin apareceu o verdadeiro Feijoo. Por fin saíu do sarcófago do hermetismo ese auténtico animal político forxado perante tres décadas nun eido público pertencente a Fraga e ao Partido Popular, que non da Galiza ou moito menos dos galegos e galegas. Quedou patente outra vez, aínda que xa van moitas tralo escándalo eólico, a débeda pública de 5 mil millóns que don Alberto soliño lle meteu ao País, a parálise dos sectores punteiros, o desmantelamento das políticas activas de emprego ou cobertura social, ou tamén agora co último episodio das fotos co amigo capo da mafia rianxeira que evidencian que máis que un pecado de xuventude que expiar é toda unha haxiografía dun xeito de entender a política, dunha filosofía de vida e sobre todo é a foto finish da exemplaridade dos cargos ou da honestidade que gasta o Partido Popular enaltecendo ou engulindo aos seus propios fillos tal que Saturno e segundo a que barón interese. A verdadeira loita que está a consumir o rédito político de Feijoo, xa antes da exclusiva das fotos malditas daquel verán, é contra todo un Partido Popular que está a descomporse de arriba á abaixo Malia todo, Galiza pode esperar. Non lle imos pedir agora a un neno dunha aldea ourensá que nin toca o piano nin foi á Sorbona, onde por certo as taxas universitarias están por debaixo das nosas, que resolva en 45 días moitos problemas xa endémicos e por suposto todos herdados dese maldito bipartito que a pouco nos borra do mapa. A verdadeira loita que está a consumir o rédito político de Feijoo, xa antes da exclusiva das fotos malditas daquel verán, é contra todo un Partido Popular que está a descomporse de arriba á abaixo o mesmo que o World Trade Center despois do bombazo Bárcenas en plena cúpula. Ata pode que haxa xa algún cadáver político nas escaleiras ou en caída libre desde unhas fiestras das que Feijoo trata de zafarse como sexa coa súa austera castidade xudicial ou mesmo empurrando se fai falla a quen non poida demostrar o mesmo nivel de virxindade. Desde logo, a máxima da que o poder corrompe non quita de que quen chegara ao poder non viñera xa corrompido, e falando do Partido Popular, dun presidente autonómico, e sendo a corrupción un fenómeno xa irreversible cando aspira a podrecer non só ao individuo que afilia no seu podio de privilexios, senón á alma enteira dunha institución ou mesmo dunha nación, pódese, cando menos, contemplar a hipótese do titular. A máxima da que o poder corrompe non quita de que quen chegara ao poder non viñera xa corrompido O grave erro do presidente, non o de xuventude senón o imperdoable, é que con todo o que está caendo e con toda a absoluta responsabilidade que lle deron dúas maiorías, vese pouca purga real no PP para tanta confianza depositada, pouca loita polo desterro ou cando menos desapego pola corrupción, por non dicir ningunha. Para mostra, o incrible e agardado caso do procesamento do ex presidente Baltar e alcaldes colaterais os que prudentemente aconsellaron aprazar a súa militancia no PP no canto dunha condena radical. O que sen ningunha dúbida indica que no caso da corrupción do presidente, asumida xa como parte indeleble, a súa erradicación é unha quimera con un único desenlace posible: o escándalo xudicial enramado na estrepitosa descomposición total do PP. En Madrid e na China. Só é cuestión de tempo e da veleidade de don Santiago Rey En verbas do filósofo Giordano Bruno, acaso non é o último corrompido o principio do xerminado. Só é cuestión de tempo e da veleidade de don Santiago Rey. |
PRAZA_15999 | O tribunal descartou calquera opción de liberar o líder de ERC ao coincidir apelación no listón que Llarena impuxo a Forcadell: renunciar a calquera actividade "fóra do ordenamento constitucional". Os tres maxistrados ven insuficiente a súa apelación ao "diálogo" | A ausencia dunha referencia explícita á Constitución ou á "orde constitucional" eliminou calquera posibilidade de que Oriol Junqueras saíse en liberdade. No auto do tribunal de apelación xa se sinala que a vontade de "diálogo" expresada pola defensa do político e por el mesmo ante os tres maxistrados non son abondo para disipar o risco de reiteración delituosa. Fontes do Tribunal Supremo engaden que o que falta a esa expresión de vontade política é que se producirá nos límites do actual ordenamento constitucional. A ausencia dunha referencia explícita á Constitución ou á "orde constitucional" eliminou calquera opción de que Junqueras saíse en liberdade A defensa do investigado, con todo, apostou por que fose suficiente a apelación ao acatamento do artigo 155 da Constitución e a concorrencia ás eleccións autónomicas, convocadas en virtude deste. Pero non foi así, polo menos para o tres maxistrados que ratificaron a decisión do seu compañeiro da Sala do Penal, Pablo Llarena, adoptada hai un mes, e anteriormente da xuíza da Audiencia Nacional, Carmen Lamela, outras catro semanas antes. "O diálogo ao que se fai referencia no recurso, até o de agora, só se pretendeu ou expuxo polo recorrente e polos que o acompañan no seu proxecto político, como referido exclusivamente á forma na que o Estado español puidese prestarse a recoñecer a independencia de Cataluña", escribiu o relator do auto, Miguel Colmenero. De acordo cos outros dous membros do tribunal, engade: "É, polo tanto, unha pretensión que, previsiblemente conduciría novamente ao recurso ás vías de feito no caso de que, como é racionalmente de esperar, fose negada ou impedida desde o Estado". Os maxistrados do Tribunal Supremo colocan o seu nivel de esixencia no mesmo lugar onde o puxo o instrutor da causa Deste xeito, os maxistrados do Tribunal Supremo colocan o seu nivel de esixencia no mesmo lugar onde o puxo o instrutor da causa, o seu compañeiro da Sala do Penal, Pablo Llarena. Así quedou de manifesto durante a primeira toma de declaración a investigados, unha vez asumida a causa que emprendeu a Audiencia Nacional. Con independencia das palabras exactas que pronunciou a ex-presidenta do Parlament, Carme Forcadell, Llarena escribiu no seu auto: "Os acusados renuncian á actividade política ou a calquera actuación fóra do marco constitucional". Nese auto, Llarena impuxo prisión a Forcadell, eludible co pagamento dunha fianza de 150.000 euros. A outros catro membros da Mesa impúxolles como medida cautelar unha fianza de 25.000 euros e a Joan Josep Nuet deixouno libre sen medidas cautelares. Unha vez o tribunal de apelación ditou auto sobre Junqueras, a situación persoal do investigado pasa a depender outra vez de Llarena. A defensa de Junqueras pode volver recorrer a excarceración e, en calquera caso, a comparecencia do ex-vicepresident ante o Tribunal Supremo non se demorará. A Fiscalía xa solicitou que tanto os investigados que compareceron ante Llarena como os novos investigados, entre eles Marta Rovira ou Artur Mas, declaren nunha data que o xuíz instrutor deberá determinar. Fontes do Supremo aseguran que a quenda de palabra de Junqueras era a súa oportunidade de expresar un firme compromiso de defender o seu ideario dentro da Constitución En contra da acusación saída este venres desde as filas do sector independentista, no sentido de que os maxistrados do tribunal de apelación tiñan tomada de antemán a decisión de deixar en prisión a Junqueras, e mesmo redactado o auto, as citadas fontes do Tribunal Supremo lembran que o recurso de podería terse resolto sen a presenza do investigado e que os xuíces tampouco estaban obrigados a darlle a palabra. Nesa quenda de palabra era a oportunidade de Junqueras para expresar un firme compromiso de defender o seu ideario independentista dentro das marxes da Constitución, precisan as mesmas fontes. |
PRAZA_2416 | O presidente da Deputación ourensá circunscribe ao ámbito "estritamente persoal" a denuncia da muller que o acusa de ofrecerlle traballo a cambio de sexo. O fiscal xefe de Ourense indica que o asunto non é "urxente" e aínda non decidiu se o investigará. A oposición planta a Baltar tras negarse a debater sobre a denuncia no pleno da Deputación Unha muller denuncia a Baltar por ofrecerlle traballo a cambio de sexo | A oposición planta a Baltar tras negarse a debater sobre a denuncia no pleno da Deputación José Manuel Baltar non valora "en absoluto" dimitir dos seus cargos políticos e non ten, cando menos de momento, presión do seu xefe de filas para facelo. O presidente da Deputación de Ourense tivo que responder este mércores ante a prensa sobre a denuncia dunha muller que, tal e como revelou eldiario.es, acusa o barón do PP ourensán de ofrecerlle traballo na institución provincial a cambio de sexo. Baltar declárase "absolutamente tranquilo" ante a denuncia e as gravacións publicadas por este xornal mentres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantén un perfil baixo ante o escándalo, evitando pronunciarse sobre se procedería a substitución de Baltar. A dimisión non entra dentro dos seus plans porque, argumenta o político conservador, este é un asunto "absolutamente de índole persoal" e, aínda que o posto de traballo en cuestión era na propia Deputación, "non ten nada que ver con esta institución", afirma. O único que está na súa axenda sobre este caso é exercer "todas as accións legais con toda a contundencia" en canto os tribunais lle dean oportunidade de facelo, asegura. Baltar sinala que o caso é "de índole persoal, non ten nada que ver coa institución" e reitera a súa intención de exercer "accións legais con toda a contundencia" Alén da permanencia no cargo, o dirixente popular evita tamén comentar se recoñece a súa voz nas gravacións publicadas por eldiario.es. "Accións legais, é todo o que vou responder", retrucou a preguntas dos xornalistas, que tamén tentaron, sen éxito, coñecer como acolleu que o portavoz do PP no Congreso, Rafael Hernando, considerase "repugnantes" os feitos que lle imputa a denunciante. "Non vou facer ningún tipo de declaración sobre o que di o meu partido". O fiscal xefe de Ourense indica que o asunto "non é urxente" e aínda non decidiu se o investigará Así as cousas, o presidente ourensán espera personarse nun proceso xudicial polo que todo parece indicar que haberá que esperar. Así o avanza o fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, que en declaracións ao xornal La Región explicou que aínda non decidiu se abrirá unha investigación tras recibir o escrito da denunciante, datado o pasado 13 de outubro. "É un tema suficientemente delicado" como para ser "estudado, meditado e sopesado antes de adoptar algunha medida", indica o representante do Ministerio Público que, en todo caso, considera que o tema "non é urxente, aínda que sexa importante". Silencio de Feijóo ante as peticións de dimisión Pouco antes de que Baltar tivese que falar ante a prensa -este mércores recibía o grupo Los Suaves na Deputación- na sede do Parlamento continuaba a riada de peticións de dimisión que sucederon á publicación da información en eldiario.es e Praza.gal. No marco da sesión de control ao presidente o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, lembrou que o pleno comezara "cun minuto de silencio polas vítimas da violencia machista", un fenómeno ante o que "non abnonda con minutos de silencio". "Hai moitas vítimas da violencia machista, non só mulleres asasinadas", sinalou o parlamentario, en referencia á muller que denuncia presunto acoso por parte de Baltar. Jorquera, a Feijóo: "Seguimos esperando a que vostede esixa a dimisión do señor Baltar" Neste contexto, di Jorquera, "seguimos esperando a que vostede esixa a dimisión do señor Baltar". Na súa quenda de réplica Alberto Núñez Feijóo obviou a petición e non se pronunciou a respecto disto, algo que pouco despois lle reclamaba tamén o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. O líder socialista lamenta que o presidente da Xunta non se mostre "tan rápido" e "locuaz" neste caso como cando comenta problemas xudiciais de "militantes doutros partidos", suposto no que opina mesmo "sen coñecemento", reprocha. |
NOS_46510 | O Goberno galego incumpre os prazos fixados pola súa lexislación | A valoración da discapacidade é un tramite imprescindíbel para o recoñecemento administrativo daqueles condicionantes que limitan ou impiden a unha persoa desenvolver a súa vida de forma autónoma. A súa aprobación e concreción determina o aceso a unha serie de axudas públicas para os demandantes e nalgúns casos á propia xubilación anticipada por razóns de saúde. Neste último suposto, o órgano de valoración debe fixar para o solicitante unha minusvalía superior a 65%, atendendo a criterios de mobilidade, capacidades propias para actividades físicas e funcionais ou control do sono. O marco normativo para o procedemento está fixado pola Orde de 25 de novembro de 2015, pola que se regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes. Así, o seu artigo 8 recolle que "o procedemento para o recoñecemento do grao de discapacidade resolverase no prazo máximo de tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a instrución e resolución do expediente". Pola súa banda, o artigo 9 sinala que "no suposto de vencemento do prazo máximo establecido sen ditarse resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo". A Xunta incumpre os prazos legais A Xunta incumpre os prazos fixados pola lexislación para resolver estes procedementos. Segundo a información achegada pola Administración galega e recollida no informe da Valedora do Pobo, en setembro de 2020, "na Coruña e Ferrol estábanse a resolver as solicitudes sen prioridade de novembro de 2019 (dez meses despois); en Santiago, as de febreiro de 2019 (un ano e sete meses despois); en Lugo, as de agosto de 2019 (un ano e un mes despois); en Ourense, as de xuño de 2020 (tres meses despois); en Pontevedra, as de outubro de 2018 (23 meses despois); e en Vigo, as de novembro de 2018 (22 meses despois)". A gravidade da situación é obxecto de críticas por solicitantes de discapacidade e pola súas entidades representativas. Así, o Comité Español de Representantes de Persoas con Minusvalías (Cermi) denuncia que os retrasos na Galiza están por riba da media do Estado. Neste sentido, advirte que o tempo de agarda aproximado para o conxunto estatal é de 10,4 meses, un período de espera superado por Canarias, Andalucía, País Valenciá, Illes Balears e Galiza. Na mesma liña, reclaman ás autoridades galegas máis medios nos equipos de valoración para axilizar os procedementos. A gravidade da situación é obxecto de críticas por solicitantes de discapacidade e pola súas entidades representativas O Goberno galego recoñece esta situación e responsabiliza da mesma á falla de persoal nas unidades da Consellaría de Política Social encargadas desde traballo. Actualmente, Galiza conta con unidades de valoración na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, sinalando a Xunta que máis medios "permitirán a drástica redución da lista de agarda e a recuperación dos prazos de resolución desexábeis". Porén, as medidas de reforzo deste servizo postas en marcha nos últimos tempos amósanse insuficientes, sinalando a Valedora do Pobo que "a Consellaría de Política Social indicara medidas como o reforzo do persoal dos equipos de valoración e a creación de novos equipos, que despois cesaron e se activaron de novo. Comprobamos que con iso melloraron os tempos de resposta, pero seguían os retrasos. A institución da Valedora do Pobo maniféstase no seu informe de 2020 moi crítica co funcionamento deste servizo. A modo de conclusión, destaca que "por tanto, continúan os retrasos respecto do prazo de tres meses. Os retrasos non afectan a todas as valoracións, só as estándares, isto é, as que non teñen ningún motivo para lles dar prioridade de acordo coa normativa vixente". Ao tempo, lembra que fica "pendente a conformación de dous equipos adicionais de reforzo en Vigo", unidades anunciadas no seu momento pola Consellaría de Política Social que a Administración galega non ten posto en marcha. |
PRAZA_16272 | A representante do BNG recolle na Xunta Electoral a súa acta de eurodeputada como paso previo á volver tomar posesión do escano o 28 de febreiro en Bruxelas | O vindeiro 28 de febreiro Ana Miranda volverá tomar posesión do seu escano no Parlamento europeo no nome do BNG. Fano en virtude dos acordos electorais do Bloque no marco da coalición Os pobos deciden, segundo os cales remudará a Josu Juaristi (EH-Bildu) ata o remate da lexislatura europea, en maio de 2019. Miranda cumpriu este xoves na Xunta Electoral Central co trámite previo á toma de posesión, a recollida da credencial, e situou a investigación do accidente de Angrois como prioridade. Despois de que, como voceira do BNG ante as institucións comunitarias, Miranda mediase ante a Axencia Ferroviaria Europea para que a plataforma de vítimas do accidente puidesen acceder ao seu informe sobre o acontecido e o documento fose público -a institución ditaminou, entre outros aspectos, que a investigación oficial non foi independente-, a eurodeputada resalta que teimará en "chegar ata o final" do acontecido. Acompañada por familiares das vítimas no acto celebrado no Congreso, Miranda afirma que ten a intención de "utilizar toda a capacidade do euroescano" para "esixir unha investigación independente que permita coñecer toda a verdade". O 1 de marzo Miranda manterá unha xuntanza coa Comisión Europea sobre a súa "petición de apertura dun procedemento de infracción ao Estado Español" polo incumprimento da normativa europea de seguridade ferroviaria en Angrois Neste sentido, resalta, tras impulsar o devandito contacto entre as vítimas e a Axencia e mais a participación da súa plataforma na comisión de peticións da propia Eurocámara, xa prevé novas accións para procurar "resarcir as vítimas" e "reclamar que se adopten todas as medidas para que non volva repetirse nada parecido". Neste sentido, anuncia que o vindeiro 1 de marzo ten xa prevista unha xuntanza con representantes da Comisión Europea para abordar a "petición de apertura dun procedemento de infracción contra o Estado español" polo "seu incumprimento da normativa europea en materia da seguridade ferroviaria", un dos aspectos que tamén se está a revelar como clave nas pescudas xudiciais sobre o descarrilamento do Alvia. Alén do accidente de Angrois, di Miranda, outras das súas "primeiras iniciativas" terán "carácter social" en eidos como as pensións ou a defensa da sanidade pública. Como no seu anterior período no Parlamento Europeo, a eurodeputada do BNG integrarase no grupo dos Verdes-Alianza Libre Europea. Miranda regresa ao Parlamento europeo despois de ocupar xa un escano nel entre 2011 e 2013 e previamente formara parte do equipo de Camilo Nogueira durante a súa etapa como eurodeputado. Coa súa chegada serán xa catro os membros da Eurocámara de orixe galega; ademais de Miranda no nome do Bloque continúan na institución Lidia Senra (AGEe), José Blanco (PSOE) e Francisco Millán-Mon (PP). |
NOS_37253 | A escuadra da Mariña é unha auténtica máquina de gañar títulos e non se albisca no horizonte un cambio de tendencia. | O Liceo de Hóckey, que este ano festexa o seu 50 aniversario, fixo bandeira do lema "O club máis laureado da Galiza". Porén, un modesto equipo fundado na Mariña en 2001, o Pescados Rubén Burela, está acelerando até o punto de ameazar ese trono, pois hai dez anos iniciaron unha inercia gañadora que aínda non coñece fin. Primeiro gran éxito, a Liga e a Copa de 2013 Tan só tres tempadas despois do seu debut na máxima categoría, o Pescados Rubén Burela gañaba, no mesmo ano, a Liga e a Copa de España. 2015/16, o reencontro co éxito Despois de quedar subcampioas na Liga 2013/14 e na Copa 2014/15, as Guerreiras Laranxas reencontráronse co éxito na tempada 2015/16, na que levantaron tanto a Liga como a Supercopa. 2018/19, o inicio da idade de ouro Nesta campaña, o Pescados Rubén Burela dá inicio a unha idade de ouro que se estende até a actualidade. Esa tempada 2018/19 proclamáronse campioas da Copa da Raíña e da 4 Nations Futsal Cup de Milán. Ao ano seguinte, e a pesar da pandemia da Covid 19, asinarían o mellor exercicio da súa historia, gañándoo absolutamente todo: Liga, Copa e Supercopa. Con respecto á tempada actual, xa levantaron a Copa da Raíña e agardan seguir engadindo títulos á xa repleta sala de trofeos en vindeiras datas. |
PRAZA_5269 | O Encontro Europeo de Medios do Terceiro Sector comezará o vindeiro venres 11 de abril, coa participación dunha ducia de emisoras comunitarias de distintos países de Europa e outras tantes procedentes de todo o Estado español. | Falta unha semana. Representantes de medios comunitarios de toda Europa reuniranse na Coruña do 11 ao 13 de abril no Encontro Europeo de Medios do Terceiro Sector, unha cita que acollerá o edificio de Normal, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña. O evento está organizado pola Rede de Medios Comunitarios (ReMC), que agrupa 40 medios do Estado Español, e que en paralelo coa cita europea tamén celebrará na Coruña a súa asemblea xeral. Ademais, tamén o Consello Europeo da Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC) celebrará a súa primeira reunión anual na cidade herculina nestas datas. O Encontro vai quentando motores e nos últimos días presentou as aplicacións móbiles (tanto para dispositivos de Apple coma para sistemas operativos Android) que ofrecerán completa información sobre os contidos das xornadas e os debates que alí se produzan, así coma outros elementos de interese para os e as participantes. O Encontro vai quentando motores e nos últimos días presentou as aplicacións móbiles que ofrecerán completa información sobre os contidos das xornadas Participarán radios e televisións impulsadas pola sociedade de Francia, España, Austria, Dinamarca, Noruega, Irlanda, Suíza, Finlandia, Alemaña e Finlandia. Concorrerán representantes das principais redes europeas, coma o SNRL francés, a CRAOL de Irlanda, a Närradions Riksorganisation de Suecia, a Verband Freier Radios Österreich -VFRÖ de Austria, a Bundesverband Freier Radios de Alemaña, a UNIKOM Union nichtkommerzorientierter Lokalradios de Suiza, a Sammenslutningen Af Medier i Lokalsamfundet – SAML de Dinamarca, a Turun Lähiradioyhdistys ry de Finlandia ou a Norsk Lokalradioforbund de Noruega, entre outras. Tan só estas redes representan 1.104 medios comunitarios. E dende distintos puntos de España está xa confirmada a presenza de Ión Radio (Madrid), Radio Ronkudo (Corme), Komunikatuz (Bilbao), Eco Leganés (Leganés), Onda Color (Málaga), Onda Merlín Comunitaria (Villaverde, Madrid), Onda Polígono (Toledo), Radio Ritmo (Getafe), Radio Almenara (Madrid), Unión de Radios Comunitarias de Madrid, Radio Vallekas (Madrid), Radio Enlace (Madrid), Radiópolis (Sevilla), Radio Kras (Xixón), Radio Televisió de Cardedeu (CArdedeu, Barcelona), Siberia FM (Gasteiz), Radio Guiniguada (Las Palmas de Gran Canaria), Nosotras en el Mundo (Madrid), Federación Española de Sindicatos de Periodistas (FESP), ademais da coruñesa Cuac FM. Debates e obradoiros O evento concíbese como unha xornada de intercambio de experiencias e aprendizaxe na que os participantes O evento concíbese como unha xornada de intercambio de experiencias e aprendizaxe na que os participantes se poñen ao corrente das innovacións, os avances e as problemáticas que afectan á súa actividade, neste caso aos medios de comunicación social. O Encontro programa unha serie de obradoiros, moderados e coordinados por algúns dos responsables dos medios comunitarios participantes, todo co obxectivo de mellorar o funcionamento, a incidencia e o impacto destes medios nacidos dende abaixo. Haberá, por exemplo, un Obradoiro de Xénero, dinamizado pola Comisión de Mulleres da ReMC, un Obradoiro de Formación, un Obradoiro de Incidencia, que analizará as estratexias para conseguir unha maior incidencia social desde os medios comunitarios. Igualmente, celebrarase un Obradoiro de Trello, unha aplicación gratuíta que axuda a organizar o traballo, un Obradoiro de Facilitación, un Obradoiro de Xornalismo e un Obradoiro de Financiamento Europeo, dinamizado por Sally Galiana e Agus Hernán (AMARC-Europa). Mikel Estarrona (Tas Tas Irratia, de Bilbao), relator do obradoiro sobre Incidencia Social, destaca que "a miña intención é que, como mínimo, a xente que participe salga de alí con ganas de facer o posible para que a súa radio ou a súa tele, busquen a incidencia social. Que saiban que para lograr iso hai que tomar determinadas decisións e esquecerse doutras (non porque sexan boas e malas, senón porque son as que serven ou non serven para o que queremos facer) e que, referíndome a cidades medias ou grandes, querer cambiar as cousas implica disputar o espazo radioeléctrico co resto de medios de comunicación, con todo o que iso implica". Alejandro Branco (Onda Color, de Málaga), responsable do obradoiro de Formación, sinala que "entre todos os participantes imos construír unha proposta para orientar os medios comunitarios sobre que tipo de formación se debería dar cando chegas a un medio comunitario e durante a túa estancia nel. Non só para facer contidos, senón para participar na súa xestión, coñecer a súa historia, funcionamento... Ensinarei tanto como aprenderei. Ogallá o resto de xente tamén senta o mesmo". Pola súa banda, Miriam Meda (presidenta da Rede de Medios Comunitarios), coordinadora do obradoiro de Xornalismo, entende "o xornalismo ben exercido como un dos garantes da democracia" e di esperar "que algún día non moi afastado a comunicación social e alternativa sexa recoñecida como se merece". Finalmente, David Molina (RTV Cardedeu), que dirixirá o obradoiro de Trello, afirma que "hoxe en día estamos rodeados de tarefas que moitas veces custa controlar á vez. No caso dunha radio ou unha televisión a xestión de tarefas pódese agravar aínda moito máis xa que normalmente hai moita xente implicada. Grazas á aparición de plataformas de xestión de tarefas como Trello, esta organización das diferentes tarefas dun medio de comunicación pode chegar a ser fácil, rápida e sinxela". |
NOS_48308 | A dirección do partido morado non garante a participación de Carmen Santos na cimeira convocada polos tres alcaldes das Mareas para o día 30 en Vigo. Podemos Galicia en ningún caso contempla a súa disolución dentro dunha organización política galega de nova planta. | A dirección do partido morado non garante a participación de Carmen Santos na cimeira convocada polos tres alcaldes das Mareas para o día 30 en Vigo. Podemos continúa sendo unha das incógnitas a despexar no universo das mareas. A outra é o nome da persoa que vaia encabezar unha hipotética candidatura conxunta entre o partido morado, Anova, Esquerda Unida e as plataformas municipalistas. Errejonistas e pablistas defenden que a organización galega de Podemos integre finalmente a candidatura, e esa é a hipótese máis probábel a teor de como se foron desenvolvendo as reunións do partido polo territorio galego. Porén, a dirección podemita na Galiza continúa mantendo o discurso de que están abertas as dúas opcións: ou ben ir en solitario ou ben ir en coligazón. O que ninguén pon en cuestión é a decisión da franquicia galega de Podemos de existir como tal formación e de non subsumirse nunha organización de nova planta. Nun comunicado de imprensa enviado aos meios e chamativamente redixido en castelán (a totalidadade das forzas políticas galegas empregan o galego nas súas comunicacións públicas), a marca liderada por Pablo Iglesias afirma con contundencia que non participará "en nengún proceso de confluencia que leve, de xeito directo ou indirecto, á súa disolución dentro do mesmo". O que ninguén pon en cuestión é a decisión da franquicia galega de Podemos de existir como tal formación e de non subsumirse nunha organización de nova planta Sobre a cuestión central a respeito da cal se ten de debruzar a organización, a secretaria xeral galega, Carmen Santos, afirma: "Podemos Galicia aposta por concorrer ás eleccións galegas ben sexa coa súa propia candidatura ou en coligazón con outras forzas amigas coas que xa nos apresentamos ás eleccións xerais ou ampliando esta coligazón con outras organizacións políticas que queiran sumarse". A decisión definitiva sobre a forma de concorrencia ás eleccións vaina tomar a asemblea xeral de persoas inscritas na organización nunha data aínda por determinar. Antes vaise coñecer a posición que ao respeito adopta o Consello Cidadán, que non é vinculante. Santos -que parabenizou os tres alcaldes por ter dado impulso político ao proceso das mareas nas últimas datas- irá ao cónclave do día 30 se a súa presenza non colide co decidido polas bases da organización, do que se deduce que a asemblea se irá realizar a próxima semana. En todo caso, algo fica ben claro: a única opción que Podemos está disposta a avaliar para as eleccións ao Parlamento da Galiza é a da coligazón (a fórmula xa empregue por En Marea), en ningún caso a disolución das distintas forzas nunha organización de nova planta, a pretensión dalgunhas das plataformas municipalista de Mareas en Común. |
PRAZA_7533 | Que pasa cando un home atravesa o seu propio portal? Na película Como ser John Malkovich, un titiriteiro desenganado traballa de arquiveiro no andar 7 e medio nun edificio de Manhattan. Alí encontra un pasadizo que lle permite penetrar na pel do outro, ver o que o outro ve e sentir o que o outro sente, consciente da súa condición anfibia. | Que pasa cando un home atravesa o seu propio portal? Na película Como ser John Malkovich, un titiriteiro desenganado traballa de arquiveiro no andar 7 e medio nun edificio de Manhattan. Alí encontra un pasadizo que lle permite penetrar na pel do outro, ver o que o outro ve e sentir o que o outro sente, consciente da súa condición anfibia. Nesta ficción, ao cabo de quince minutos de estadía na contradición de saberse el, o protagonista volve á realidade caendo nunha gabia preto da autopista de peaxe indo para Nova Jersey. Volver á realidade é unha sorte de retorno á tensión que regula a súa vida: o río do revés, lágrimas máis lágrimas e seis dedos para manexar marionetas. Nas representacións dos titiriteiros, sexan estas ao aire libre, nos corrais ou nos mesóns, hai sempre unha presencia básica, a man experimentada do manipulador que sabe de armar espectáculos, mesmo sen monicrequeques entre bastidores. Ocorre que, ás veces, o manipulador xoga a outorgar poder ao boneco facéndolle crer, nunha especie de entretemento de non compromiso, que é dono do seu destino. Puro teatro! Son os dedos colocados en distintas posicións (polgar-corazón, polgar-anular…) e os movementos que isto xera, os que acaban determinando a inocencia da princesa, o ritual de loita e morte do dragón ou, tamén, o desprazamento que se expande por debaixo do escenario. En paralelo, no paralelo de todos, dende o cume da fantasía, o espectador pode supor que está de certo implicado no argumento e, con alento pueril, reivindique a súa complicidade, e berre, estremézase ou, sinxelamente… chore. Bendito debate de aparencias, onde non hai sometemento a votacións. Acontece o que o narrador di o que ten que acontecer. Os imprevistos acaen multiplicados porque hai unha invitación ao mergullo na ficción. Existe a posibilidade de que o autor sexa só unha sinatura. Eu, non sabería que responder. No vasto abano de titiritadas: sombras, fantoches, siluetas… hai un monicreque favorito que ten esencia de madeira de tilo, chapeu feito con papel e miga de pan. Foi tecido con agarimo pola man avellentada do autor, quen vendeu a chaqueta de pana para lle comprar o silabario, no desexo de perdurar e prevalecer. O monicreque vive nos camiños e susténtase coa inseguridade das cousas. Ten un accesorio elemental que medra coa mentira, pero dá igual porque foi construído para aceptar a palabra: coñecer. E… aí vai! Con ollos que non lle chegan para apreixar o mundo, paseando entre tentacións de raposos e gatos, coa protección sen límite que lle dá o amor do pai. Ten a mirada posta no arredor. Como puidemos pensar que é materia inanimada? O títere cruzou a fronteira da imitación. A teoría de cordas revela que a gravidade que o ata ao mundo ten a forma e a forza dun lazo prometedoramente familiar. É humano. |
PRAZA_15717 | Para limitar os efectos da anulación do PXOM vigués, o Goberno galego propuxo modificar a súa proposta de ordenación do territorio para todo o país, reducindo a capacidade de concellos e cidadanía de controlar certas actuacións | Dende que en decembro unha sentenza do Supremo botou abaixo o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo (PXOM), o Concello e a Xunta de Galicia veñen barallando fórmulas para limitar os efectos desta anulación. Por un lado, búscase acelerar todo o posible a redacción dun novo plan, empregando como base o mesmo proxecto de 2008, a pesar do moi distinto contexto económico e de demanda inmobiliaria. De igual xeito, para non adiar determinadas iniciativas (Cidade da Xustiza, ampliación de PSA ou a estación intermodal de Urzaiz), bloqueadas trala anulación do PXOM, o Goberno galego propuxo nos últimos días modificar proxecto da Lei do Solo, que comezou en novembro a súa tramitación parlamentaria. É dicir: para solucionar o problema que a nivel vigués xerou o sucedido co PXOM de 2008, a Xunta propón a modificación da súa proposta de ordenación do territorio para toda Galicia. En concreto, a proposta afecta ao artigo 144 da lei, que na actualidade sinala que "os actos relacionados no artigo 139 [edificacións, demolicións, intervencións en inmobles protexidos...] que promovan órganos das administracións públicas ou de dereito público estarán suxeitos a control municipal por medio da obtención de licenza municipal ou comunicación previa". Na nova redacción admitirase que se leven a cabo obras "urxentes e de interese xeral" que sexan contrarias aos planeamentos municipais, sempre e cando haxa acordo co goberno municipal actual. O cambio, ademais, levaría a que determinados proxectos urbanísticos poderían ser aprobados sen períodos de exposición pública nin alegacións da cidadanía, limitando o control que os concellos e a sociedade poden exercer sobre estas actuacións. Esta proposta, que xa foi apoiada polo Concello, foi en cambio criticada pola Marea de Vigo, que alertou de que esa modificación crearía "un perigoso precedente", xerando "arbitrariedade" no urbanismo de toda Galicia. "Significa abrir a porta en todo o país á discrecionalidade na construción de infraestruturas, aínda contra o planeamento, e co simple requisito de que sexan declaradas de interese xeral e a emisión de informes sectoriais", sinalou a formación. Marea: "Significa abrir a porta en todo o país á discrecionalidade na construción de infraestruturas, aínda contra o planeamento" A Marea subliña que o bloqueo provocado nestes proxectos pola anulación do PXOM podería solucionarse por outras vías, sen ter que cambiar a Lei do Solo, e sen limitar a capacidade de regulación en materia urbanística. Explica que os proxectos que o goberno local de Vigo e a Xunta consideren estratéxicos "poden saír adiante xa cos instrumentos que actualmente existen, que esixen garantías e informes sectoriais e que conteñen un período de exposición público, como son os plans ou proxectos de incidencia supramunicipal, recollidos na lei de ordenación do territorio de Galicia dende 1995". Para a Marea, "é imprescindible a participación pública na tramitación dos proxectos e plans urbanísticos, sen a cal todo o procedemento estaría viciado de nulidade absoluta". Proxecto de Lei do Solo de Galicia (.pdf) |
NOS_41700 | A Asociación Lazoiro lanza o proxecto 'Memoria de Salvaterra' en forma de páxina web, que recompila fotografías antigas da vila e parroquias. | Coa finalidade de preservar a memoria e dar a coñecer o pasado de Salvaterra a asociación Lazoiro puxo en marcha 'Memorias de Salvaterra', recompliando fotografías e imaxes da vila e a súa contorna. "Cada fotografía irá acompañada dunha pequena reseña historica , a súa xeolocalización, unha comparación do antes e despois e un apartado de comentarios para as respectivas fotografías", sinalan desde este colectivo. Según Lucas Farrapeira (programador de Lazoiro) "as fotografías estarán clasificadas por décadas, parroquias e temáticas". Dende Lazoiro confesán estar "ilusionados co proxecto", no que esperan contar coa colaboración da veciñanza para recuperar "a nosa memoria colectiva e que perdure no tempo, por iso as fotografías irán acompañadas de numerosa información sobre o lugar e o seu tempo". |
PRAZA_4426 | "Seguro que podemos acordar a duración da campaña e outras medidas entre as tres forzas que suman a alternativa" ao PP, di Gómez-Reino, que propón a socialistas e nacionalistas acordaren aspectos como a duración da campaña, as limitacións dos actos para evitar contaxios do coronavirus ou unha proposta sobre debates electorais | Nas últimas semanas, o PP cargou por varias vías contra PSdeG, BNG e Galicia en Común por desenvolveren actos de precampaña cara ás eleccións do 12X. Fan "política" e "campaña", reprocharon, mentres o PP afronta a crise do coronavirus. Tamén aseguraron que pedirán ao conxunto de forzas políticas que non utilicen a primeira semana da campaña, que comeza ás cero horas do 26 de xuño.No seo das formacións da esquerda a percepción xeral é que o PP prefire unha campaña de perfil baixoPola banda da esquerda, a percepción xeral é que os de Alberto Núñez Feijóo prefiren pasar "de puntillas" pola campaña, en verbas do socialista Gonzalo Caballero, para darlle aos debates preelectorais un perfil aínda máis baixo do obrigado polas medidas para evitar contaxios do coronavirus. Dende o BNG, a súa portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo acordar concentrar os actos da campaña oficial en dez días, sempre e cando o PP accedese a propiciar unha maior cobertura en "igualdade" de condicións a través dos medios públicos, así como un debate entre líderes "a dobre volta".Con este pano de fondo e ante o que considera "a irresponsabilidade unilateral do PP", a comezar pola propia convocatoria "en plena pandemia", o candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, escribiu a Caballero e Pontón para propoñerlles seren eles tres quen acorden "unha proposta de campaña unitaria". As tres formacións poden "consensuar", di, o xeito de "afianzar as garantías sanitarias e democráticas" cara ao 12X.Gómez-Reino: "Seguro que podemos acordar a duración da campaña e outras medidas entre as tres forzas que suman a alternativa" ao PP"Seguro que podemos chegar a un acordo sobre a duración da campaña e outras medidas suxeridas polas autoridades sanitarias" entre "as tres forzas que suman a alternativa" ao PP nos comicios. A proposta, sinala, pasa por que os equipos de campaña das tres formacións manteñan "unha xuntanza de traballo" para pactaren as "garantías sanitarias estritas" na campaña e tamén as "irrenunciables garantías democráticas" para que o electorado vexa cumprido o "dereito a informarse das distintas opcións e das propostas políticas dos nosos programas". No seo de GeC cren que un primeiro acordo entre as tres forzas contribuiría a facer visible unha alternativa de Goberno pola esquerda.A disxuntiva, para Gómez-Reino, será "elixir entre a propaganda de Feijóo ou un Goberno de progreso para a Galicia futura". E nesta liña, cren no seo de Galicia en Común, un primeiro acordo entre as tres forzas contribuiría a facer visible unha alternativa de Goberno pola esquerda.No caso de producirse esa xuntanza e o eventual pacto, Gómez-Reino concorda coa proposta tamén lanzada por Pontón para realizar "un envío único de todos os boletíns de voto de todas as opcións políticas" e tamén ve conveniente "habilitar espazos suplementarios, ampliados e gratuítos" nos medios públicos galegos e nas desconexións para Galicia de RTVE. Todo isto, agrega, xunto coa "celebración de varios debates con dobre volta na TVG e outros debates sectoriais". Deste xeito, coida, poderíanse "compensar as limitacións de non poder facer campaña a pé de rúa" por mor da covid-19. |
NOS_20525 | As asociacións de transportes piden ao Goberno español medidas similares no lugar de compensar ás concesionarias pola caída do tráfico. | A crise do coronavirus está a golpear con forza na economía do país. Noutras latitudes, como no caso da China, na India ou varios países da América Latina, unha das medidas tomadas para suavizar ese impacto foi a supresión das peaxes nas autoestradas, unha acción que de momento non parece estar contemplada polo Goberno español nos seus paquetes de medidas para conter o avance da pandemia. A supresión das peaxes, como reclaman as asociacións de transportistas da Galiza, permitiría ás empresas galegas mellorar en competitividade e abaratar custos. Ademais, facilitaría o transporte do material necesario para garantir o abastecemento básico da poboación e reducir o forte impacto que teñen as viaxes sen carga nas contas destas empresas. Audasa, a concesionaria da AP-9, principal autoestrada da Galiza, pode estar tranquila. Non só porque, salvo sorpresa, poderá seguir cobrando as peaxes, senón porque o Goberno tamén abriu a porta a que poida recibir compensacións económicas pola caída do tráfico co gallo de non alterar o equilibrio financeiro da concesión. Obrigas canceladas Por outra banda, Audasa comunicou a pasada quinta feira á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) a cancelación dunha emisión de obrigas polas "circunstancias extraordinarias imperantes, entre outros, nos mercados de débeda provocadas polo coronavirus". Así, en virtude do acordado coas entidades colocadoras, a concesionaria desiste de lanzar ao mercado a emisión denominada "Audasa Abril 2020", por importe nominal de 100 millóns de euros e coa garantía solidaria de ENA Infraestruturas. |
NOS_25414 | A central sindical exixe alternativas de emprego para o persoal das auxiliares da térmica de Meirama unha vez consumado o seu fechamento. | A CIG realizou onte unha concentración ás portas da central térmica de Meirama para exixir alternativas de emprego para o persoal das auxiliares, que esta terza feira recibiron a carta de despedimento sen teren perspectiva de recolocación e sen que exista ningún proxecto industrial e de emprego alternativo para a comarca. Segundo denuncia o sindicato, a falta de compromiso por parte de Naturgy chega até o punto de que a eléctrica nin sequera conta con estas traballadoras e traballadores para as obras de desmantelamento da central, que se prolongarán polo menos durante os próximos catro anos. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, indica que tanto as auxiliares como Naturgy "negáronse de maneira reiterada a negociar solucións transitorias para dar continuidade aos postos de traballo nas contratas", deixándolles como única saída ir ao paro. "Non resulta entendíbel que, habendo actividade inminente na central nas tarefas de desmontado, este persoal entre no desemprego e Naturgy siga facendo o que lle pete sen asumir ningún tipo de responsabilidade social polo dano causado pola produción de enerxía", afirma Carril. Xunto a isto, critica que, a pesar de que estes despedimentos materializan o fechamento das instalacións, o Goberno español aínda non concretou proxectos e medidas para a comarca dentro da estratexia de transición, nin avanzou plans específicos para dar solución ao futuro laboral dos traballadores e das traballadoras. E iso que a térmica de Meirama foi unha das primeiras para as que se anunciou o cese da actividade. Neste senso, Carril advirte que descarbonización da economía no noso país está a ser "un proceso de desmantelamento total, para nada un proceso de transición", ao tempo que denuncia que "en realidade, estamos asistindo a unha nova versión, actualizada, das reconversións brutais que xa vivimos". Por iso urxe as administracións a pór solucións para que a transición sexa realmente xusta e democrática no social e no territorial. Por outra banda, Carril acusa a Xunta de deixamento de funcións pois, a pesar de ter competencias en emprego e industria, "está máis preocupada por garantir a posición de privilexio de Naturgy que por buscar solucións e proxectos de reindustrialización para a bisbarra". |
NOS_33444 | Falamos da asemblea crucial que o BNG ten o 28 de febreiro, das outras formas de transformar o leite, do mito da dependencia económica galega de España, entrevistamos ás rapazas de Agoraphobia, Álex López -futbolista galego nun club senlleiro inglés-.... todo isto e máis, á venda na nosa loxa. | A XV Asemblea Nacional do BNG, a se realizar o 28F, é formalmente ordinaria, mais na práctica vai ser unha reunión crucial para dilucidar o futuro a curto e meio prazo do maior referente do nacionalismo político galego. Tratamos o tema en 'BNG, rumo a unha asemblea crucial'. O Estado recada no país un mínimo de 12.083 millóns de euros en impostos, mentres que a Xunta ten un orzamento que non chega aos 8.600. Debullamos cifras e dados para explicar 'Galiza-España: o mito da dependencia económica'. O maxistrado do 'Caso Alvia' rexeitou os 11 recursos presentados contra o auto que puña punto e final á investigación do accidente de Angrois co maquinista como único imputado. Os colectivos de vítimas falan de "insulto á intelixencia". En 'As vítimas temen un peche 'en falso' do principal sinistro ferroviario da Galiza' abordamos esta cuestión. 'En Marea asume as estratexias de Podemos'. A coligazón galega renuncia a rexistar o grupo parlamentar para non entorpecer os movimentos tácticos ditados pola liña centrista de Íñigo Errejón. Outra das pezas que podes ler neste número na sección de Política de Sermos Galiza. Malia a crise do sector lácteo, principalmente motivada polos baixos prezos en orixe, diversos proxectos apostan no futuro do leite como recurso pulando pola transformación desta materia prima en produtos derivados que lle outorgan valor engadido. Trátase de proxectos locais que adquiren un carácter integral. Falamos coa Granxa O Cancelo, Arqueixal e Gugur. E contámoscho en 'Outra forma de transformar o leite'. "Galiza deixou de ser un país rural para se configurar como un país urbano" Rubén Lois, doutor en Xeografía, fálanos de 'A Galicia urbana', un libro que representa unha achega esencial para entender o territorio da Galiza hoxe en día. "Galiza deixou de ser un país rural para se configurar como un país urbano". O historiador Xosé Estévez é a firma que colabora en 'Pensamento' con "España, nun tris": "A historia de España sempre se balanceou nunha antinómica dialéctica entre peche e apertura, algo que xa percibiu Cervantes". En Èuskal Herria enceta o debate sobre como vai ser o seu futuro' explicamos que a 'Ponencia de autogoberno' no Parlamento vasco permite visibilizar os proxectos das diferentes forzas do taboeiro político a respeito do modelo de país. "Eu son dos que prefire vivir a experiencia e non quedar coas ganas" Entrevistamos Álex López (Ferrol, 1988), xogador do Sheffield Wednesday - un dos clubes máis senlleiros, foi fundado no ano 1867, nada menos- cedido polo Celta. "Eu son dos que prefire vivir a experiencia e non quedar coas ganas". O colectivo Xea lévamos desta volta en Viaxes na Miña Terra polos cemiterios da Terra Chá. "Nas nosas viaxes pola Terra Cha sempre nos chamaron a atención os seus cemiterios nos que elegantes torres de pedra, que acollen ata cinco ou seis nichos en altura, aparecen rematados por curiosas e fermosas torres, pináculos e celosías, de formas que recordan ao estilo gótico (neogótico) con todas as variantes imaxinables". Agoraphobia son a sensación musical do momento. Chámanse Susana, Paula, Lucía, Sabela e Aislinn. Cinco rapazas de Boiro que xa levan dous EPs publicados e afrontan este 2016 cunha xira por todo o Estado e unha nova actuación no festival The South by SouthWest de Austin (Texas). Entrevistámolas neste número do semanario, onde nos confesan que "tocamos en cada concerto como se fora o último". Incomparábel macasar e antimacasar imprescindíbel En 'Lusofonía' Xoán Costa fálanos de como "de todos os produtos utilizados para arranxar e fixar o cabelo o aceite de macasar foi o máis popular". "Na literatura, na imprensa podemos documentar facilmente a popularidade deste produto. Faino Lord Byron, no seu Don Juan cando advirte que " en virtude, nada desta terra a podía superar; aforra o teu aceite incomparábel, Macassar!". E detémonos nos instrumentos musicais na tradición galega para aprender nunha reportaxe que "o canto e a percusión eran cousas de mulleres". Na contra-capa coñecemos o proxecto EWA, aposta na arte urbana e a poesía contra o gris das cidades. Na sección de traballo, contamos que o persoal de Linorsa estenderá as protestas ás distintas concesións públicas para esixir o pago dos soldos e das extras pendentes |
NOS_47070 | A mesa de diálogo reúnese de novo desde esta sexta feira en Cidade de México. | Os principais partidos da oposición en Venezuela manifestaron que participarán nas eleccións municipais e rexionais do vindeiro mes de novembro, no que supón unha mudanza na súa estratexia para apartar do poder o presidente Nicolás Maduro. A decisión chega máis de dous anos despois de iniciar unha intensa presión internacional, mesmo con chamamentos ao Exército á rebelión. A maioría do bloque opositor cualifica a Maduro de "ditador" e acúsao de fraude nos comicios de 2018 en que foi reelixido; tamén, de violar os dereitos humanos na persecución de disidentes. Porén, a estratexia non atopou o apoio popular que se agardaba, e dentro do bloque opositor comezaron a aparecer voces que reclamaban a Juan Guaidó ─autoproclamado presidente interino de Venezuela, recoñecido entre outros por Washington─ unha viraxe de rumbo. Máis aínda co empeoramento da situación no país polas sancións económicas impostas polos EUA. "Para aqueles que pensan que a solución non é electoral... logo cal é?", preguntouse en conferencia de prensa Henry Ramos Allup, líder de Acción Democrática. Horas antes Freddy Guevara, dirixente de Voluntad Popular ─partido de Guaidó─ avogou por un "proceso de convivencia [...] con todas as forzas políticas do país", no canto de forzar un cambio de Goberno. A Plataforma Unitaria de Venezuela ─entre os que tamén está Primero Justicia, de Henrique Capriles─ asegurou que concorrería ás eleccións para complementar os esforzos na mesa de diálogo de México, co fin dunha solución "pacífica e negociada". Representantes do Goberno e da oposición volveranse ver mañá en Cidade de México, onde teñen previsto estar reunidos até a segunda feira para dar pasos na resolución da crise política, socieconómica e sanitaria actual. Parabéns de Maduro Pola súa banda, Nicolás Maduro felicitou a oposición polo paso dado, que considerou "digno de aplaudir". Neste sentido, salientou "ter construído un diálogo nacional inclusivo a favor da estabilidade e da paz" e celebrou "ter traído toda a oposición venezolana ao campo electoral". "Estamos cansos dos xogos de poder dentro da oposición [...]. Os venezolanos din: basta das ambicións sen límites e de buscar impor pola forza o que non lograron cos votos, é un grito xeral dun país", sentenciou. A respecto da negociación en México, anunciou que se presentará unha "petición firme" con "todas as exixencias para a recuperación da economía do país", entre elas que se levanten todas as sancións contra a empresa estatal Petróleos de Venezuela, que "se devolva o ouro roubado en Londres" e "as contas bancarias no mundo". |
NOS_19946 | O soberanismo mallorquín saiu este domingo á rúa nunha convocatoria unitaria cun lema claro: 'Os Paises Cataláns decidimos: Autodeterminación'. Milleiros de persoas participaron na mobilización | Milleiros de mallorquíns sairon este domingo ás rúas de Palma para defender o dereito a decidir dos Países Cataláns. Unha gran manifestación ateigou rúas e prazas na demanda da autodeterminación, nunha nova mostra de forza dso soberanismo nos Paises Cataláns. A manifestación está convocada pola Plataforma 31-D, integrada por Arran, Associació Diada de Mallorca, ANC-Mallorca, Endavant, Entesa, Esquerra, Grup Blanquerna, Iniciativa-Verds, JEN-PSM, JERC, PSM-EN, SEPC, SI e STEI-Intersindical. Aliás, a mobilización contaba tamén co apoio de entidades e colectivos veciñais, culturais, sociais ou deportivos, entre outros. Un amplo abano de sensibilidades que optaron pola unidade para nesta Diada defender os dereitos nacionais e reclamar a autodeterminación dos Países Cataláns. "Sofremos, coma o resto de territorios dos Países Cataláns, os ataques máis duras contra a nosa identidade nacional desde a fin do franquismo" No manifesto da Plataforma, afírmase que "as e os mallorquíns, alén dos recortes sociais e laborais, tamén sofremos, coma o resto de territorios dos Países Cataláns, os ataques máis duras contra a nosa identidade nacional desde a fin do franquismo". Para as entidades convocantes da manifestación, o estado español non pode facer ouvidos xordos ao clamor soberanista que se da nesta nación. Foto: @armengou |
NOS_47542 | A SEPI controla na práctica a Rede Eléctrica de España, ao dispor de 20 por cento do seu accionariado. Isto significa que na xunta xeral de accionistas a SEPI -ou sexa, politicamente a Moncloa- terá de se pronunciar sobre o nomeamento de Arsenio Fernández de Mesa. Sobre a cuestión perguntou no Congreso o portavoz de En Marea, Antón Gómez-Reino. | A pergunta de Gómez Reino era moi concreta, literalmente "vai o Goberno, através da SEPI, apoiar o nomeamento de Arsenio Fernández de Mesa, como conselleiro independente da Rede Eléctrica de España na Xunta Xeral de Accionistas?". Como era de prever, a resposta do ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, foi evasiva. O membro do gabinete Rajoy veu dicer que é a "compañía", isto é REE, a que determina "o perfil profisional necesario para os seus novos conselleiros. É REE a que determinada a idoneidade dos mesmos como conselleiros". Como queira que REE xa determinou a idoneidade de Fernández de Mesa para o cargo -ao cooptalo para o seu consello de administración-, Montoro suxeriu implicitamente que a SEPI (Sociedade Estatal de Participacións Industriais) si votará afirmativamente o nomeamento na xunta xeral de accionistas. Non se coñece no currículo profisional de Fernández de Mesa -ex delegado do Goberno na Galiza durante a crise do Prestige, ex director xeral da Guardia Civil- nengún elemento que o faga especialmente adecuado para desempeñar responsabilidades como conselleiro da REE. O parlamentar de En Marea ve no nomeamento "un novo caso de corrupción e portas xiratorias", alén de denunciar que Fernández de Mesa vaia percibir unha retribución de 175.000 euros cando se trata dunha persoa "sen nengún coñecimento do sector". Gómez-Reino provocou a irritación nas bancadas populares ao amostrar no pleno unha fotografía de Fernández de Mesa ataviado pomposamente como director xeral da Guardia Civil coa inevitábel fita rojigualda sobre o seu tronco: "A foto representa un réxime en decadencia, lembra tamén a pésima xestión e a incompetencia no caso Prestige, e a vulneración dos dereitos humanos no Tarajal". |
NOS_42759 | Segundo publica Electomanía, unha sondaxe propia indica que o independentismo catalán gañaría outro referendo na actualidade. Ademais, máis de 70% do voto independentista apoia a desobediencia nesa circunstancia. | Unha nova sondaxe de Electomanía afirma que o independentismo catalán gañaría se hoxe se realizara un referendo en Catalunya. Segundo os datos que facilitan e que fixeron públicos, un 49,7% da poboación con dereito a voto estaría a favor; un 45,3% en contra e quedaría un 5%, de votantes indecisos. O independentismo volve ateigar as rúas pola Diada Nacional de Catalunya A sondaxe tamén detalla que un 64,7% apoiaría unha consulta sobre a independencia, mentres que un 32,7% estaría en contra. Analizando os resultados por partidos, indícase que o voto de ERC, CUP, Junts, Unides Podem e Centrem son os máis favorábeis a unha consulta, mentres que Vox, Ciutadans, PP, Valents e PSOE estarían na súa maior parte en contra. Máis de 70% do voto independentista apoia a desobediencia A sondaxe tamén sinala que máis de un 70% de independentistas participarían en accións pacíficas de desobediencia Resultado histórico do independentismo en Catalunya En relación á posición diante un posíbel referendo, entre o voto de Junts, un 98,1% estaría a favor da independencia, seguido do voto da CUP e ERC, cun 97,9% e un 96,7%, respectivamente. O voto de Centrem tamén darían o seu apoio cun 87%. Pola contra, un 69,8% do voto de Unides Podem estaría en contra da independencia, seguido do PSOE e Valents, cun 95,2% e un 95,1%, respectivamente. Non lonxe estaría o voto de Ciutadans, PP e Vox, cun 96,2%, un 93,8% e un 96,4%, respectivamente, contra a independencia. |
PRAZA_5071 | Este xoves A Nave de Vidán acolle un novo Debate na Praza, no que se analizará a contrarreforma do ministro Gallardón e sobre a que falarán a deputada do BNG Ana Pontón, Mar Martín, da plataforma SOS Sanidade Pública, e Vitoria Iglesias, da Marcha Mundial das Mulleres. | A contrarreforma da lei do aborto prevista polo Goberno e impulsada polo ministro Gallardón vén de sacar milleiros de galegos á rúa en loita polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, así como unha morea de colectivos, sindicatos e partidos coinciden en sinalar as intencións do Executivo como un ataque aos dereitos fundamentais das mulleres, unha volta ao pasado máis escuro e un intento dos sectores máis reaccionarios por "controlar os seus corpos" Será unha norma que, de saír adiante o que se presenta no anteproxecto, tan só permitirá a interrupción voluntaria do embarazo en casos de violación ou risco grave para a saúde da muller. Unha norma coa que a interrupción da xestación nas primeiras catorce semanas -o 90% dos casos- xa non será un dereito da muller, senón un delito. Nin tan sequera se permitiría a práctica de abortos ante a presenza de malformacións fetais ou doenzas incurables. Unha volta a tempos pasados. Moi pasados. Intervirán a deputada Ana Pontón, Mar Martín (SOS Sanidade Pública) e Vitoria Iglesias (Marcha Mundial das Mulleres) Este xoves 13, Praza Pública organiza un novo Debate na Praza n'A Nave do Vidán para falar d'A reforma da lei do aborto. Será un faladoiro aberto como non ao público e no que intervirán Vitoria Iglesias, activista feminista e membro da Marcha Mundial das Mulleres; Ana Pontón, deputada do BNG no Parlamento galego; e Mar Martín, integrante da plataforma SOS Sanidade Pública. Todas elas, moderadas pola xornalista Sara Torreiro. Desde os colectivos que lideran o rexeitamento desta reforma, que suprime a lei de prazos instaurada polo Goberno de Zapatero e que incluso vai máis aló da restritiva norma de 1985, insisten na importancia do dereito a decidir das mulleres, dos intentos da dereita máis reaccionaria por volver colocar o xénero feminino nun papel secundario e submiso, así como na importancia de seguir visibilizando a oposición á contrarreforma "para evitar que se soterre o debate", por exemplo baixo a precampaña das eleccións europeas. Para Ana Pontón, tal e como declarou en numerosas ocasións, esta reforma da lei do aborto supón unha "involución" para os dereitos das mulleres porque "agride a saúde" deste colectivo. "O PP quere regresar a tempos pasados nos que as mulleres carecían de dereitos e necesitaban, precisamente, a autorización dun home para tomar calquera decisión", di. Ademais das consecuencias e motivacións políticas, sociais e ideolóxicas da reforma, o debate indagará nas consecuencias sanitarias de leis tan restritivas Pero ademais das consecuencias e motivacións políticas, sociais e ideolóxicas que se agochan tras esta reforma do Executivo central, no debate de Praza achegaranse datos e testemuños sobre as consecuencias que para a saúde das mulleres pode ter a aplicación desta restritiva lei que non garante as condicións de saúde necesarias para quen queira interromper o seu embarazo. Así o explica Mar Martín, experta no tema pola súa experiencia profesional na sanidade, que lembra que "o aborto existiu sempre". "O que non estamos discutindo aquí non é o dereito ou non da muller, que é algo que nin se discute, senón o que pode implicar esta nova lei en canto á saúde", di. Por iso, achegará datos contrastados sobre o "risco asociado" que para as mulleres supón vivir nun Estado con leis do aborto tan restritivas ou "como está vinculada a mortalidade aos abortos sen garantías". Tamén abordará as consecuencias que normativas tan pouco garantistas teñen para os sistemas de saúde dos países e lembra que "os profesionais da sáude non deben decidir nada". "A decisión é da muller, os profesionais só están para garantir a seguridade sanitaria e que todo se leve a cabo nas mellores conicións posibles". |
NOS_25910 | A vindeira semana o pleno da Eurocámara elixirá o substituto de Sassoli, que ocupaba o cargo desde xullo de 2019. | O presidente do Parlamento europeo, o socialista David Sassoli, faleceu na madrugada desta terza feira no hospital italiano no que fora ingresado hai dúas semanas, segundo confirmou á axencia Europa Press o seu portavoz, Roberto Cuillo. Sassoli, de 65 anos, faleceu ás 1.15 horas desta terza no Centro de Referencia Oncolóxica da cidade de Aviano, situada na provincia de Pordenone, no nordés do país. Cuillo detallou que "nas próximas horas" publicarase un comunicado oficial no que tamén se detallará a hora e o lugar do funeral. O presidente da Eurocámara permanecía ingresado desde o pasado 26 de decembro por unha grave complicación provocada por unha disfunción do sistema inmunológico, tal e como informou esta segunda feira a institución. Tras coñecerse a noticia da súa hospitalización, importantes membros das institucións europeas manifestáronse mostrando mensaxes de preocupación e apoio a Sassoli. Sassoli xa fora hospitalizado de urxencia o pasado mes de setembro en Estrasburgo, no nordés de Francia, debido a unha forte pneumonía que lle sobreveu mentres se atopaba na cidade gala para presidir a sesión plenaria. Máis tarde, foi trasladado a Italia para continuar a súa recuperación, e non foi até dous meses despois, en novembro, cando puido acudir de novo presencialmente a presidir unha reunión do organismo. É o caso da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, quen sinalara a través do seu perfil na rede social Twitter que os seus "pensamentos" estaban co presidente mentres loitaba por mellorar a súa saúde. Na mesma liña expresouse o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, quen tamén mandara ánimos a Sassoli cunha mensaxe en tres idiomas onde lle desexaba "forza e coraxe" e trasladaba os seus "mellores desexos". No pleno deste mes de xaneiro, programado para a próxima semana, está previsto que os eurodeputados elixan a substitución de Sassoli na Presidencia do Parlamento europeo para a segunda metade da lexislatura. Sassoli, eurodeputado desde o ano 2009, foi nomeado en xullo de 2019 como presidente da Cámara, sucedendo no cargo ao italiano Antonio Tajani. Condolencias O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, lamentou esta mañá a noticia e lembrou Sassoli como "un amigo progresista, gran defensor dos valores europeos". Tamén a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, salientou o "europeísmo" do italiano, de quen tamén destacou "o seu bo facer, a capacidade de diálogo e o firme compromiso cos valores humanistas". |
PRAZA_11100 | O presidente da Xunta cre que "o lóxico" é manter a actividade da central térmica "mentres non se busca unha alternativa" e pide exencións fiscais para Endesa ao tempo que pide "actuar" contra o quecemento global | Pedir o mantemento da central térmica de Endesa, a maior emisora de gases de efecto invernadoiro do Estado e unha das meirandes de Europa, e acto seguido presentar un plan contra o cambio climático. Así fixo Alberto Núñez Feijóo na rolda de prensa tras o Consello da Xunta. Nela, criticou outra vez a "falta de actuación" do Goberno central tras o anuncio do peche da central térmica das Pontes e pediu que non se cerre mentres non haxa unha alternativa. "É o lóxico mentres non se busca unha solución alternativa", dixo o presidente da Xunta, que reclamou exencións fiscais para a empresa como as que se fan no Reino Unido para compensar o que as industrias contaminantes teñen que pagar polas súas emisións. Ademais, reivindicou os 200 millóns investidos pola compañía para adaptarse ás esixencias comunitarias, en referencia a unha directiva que non ten que ver cos gases de efecto invernadoiro, senón con outros contaminantes que non inflúen no quecemento global. Feijóo cre que "o lóxico" é manter a actividade da central térmica "mentres non se busca unha alternativa" e pide exencións fiscais para EndesaSó uns minutos despois, Feijóo tamén foi claro: "Non hai dúbida, o consenso científico así o acredita, estamos nun instante de cambio climático na Terra e é necesario actuar". Foi contundente antes de presentar a Estratexia contra o Cambio Climático da Xunta ata 2050, que inclúe 170 medidas e a promesa de investir 1.200 millóns nos primeiros cinco anos. Con todo, admitiu que tampouco son demasiado importantes. Afectan a adaptacións de cambio limitado e a intencións máis que a proxectos concretos. Aínda así, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, si destacou a intención de empregar o desenvolvemento forestal e agrícola para compensar as emisións. "Non podemos fiar toda a estrateixa á redución de emisións industriais", rematou. |
Subsets and Splits
No community queries yet
The top public SQL queries from the community will appear here once available.