ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
PRAZA_16155
Burgos-Eibar (2018), Sevilla-Cádiz (2019), Tarragona-Alacante (2019), Zaragoza-Barcelona (2021) e La Jonquera-Tarragona (2021), en funcionamento dende os anos setenta ao igual que a vía galega, rematarán a súa concesión nos tres vindeiros anos. En cambio, Audasa seguirá cobrando peaxe ata o 2048. En Marea lanza unha batería de iniciativas contra o "espolio" da AP-9
En 1973 Autopistas del Atlántico recibiu do Goberno franquista a concesión que lle permitiría cobrar por circular pola autoestrada entre Fene e Tui ata o ano 2012, subliñando o texto da adxudicación que a concesión non se podería estender máis aló do ano 2018. Posteriormente, tres prórrogas ampliaron a concesión ata o ano 2013 primeiro, ata o 2023 despois e, finalmente, ata o ano 2048, grazas á prórroga de 25 anos outorgada no ano 2000 polo Goberno de Jose María Aznar, xusto antes de privatizar a Empresa Nacional de Autopistas. Sen esa derradeira prórroga, estaríamos a tan só cinco anos do remate da concesión da AP-9, vía que inaugurou o seu primeiro treito en 1979, hai case 40 anos. Burgos-Eibar (2018), Sevilla-Cádiz (2019), Tarragona-Alacante (2019), Zaragoza-Barcelona (2021) e La Jonquera-Tarragona (2021) rematarán a súa concesión nos tres vindeiros anos A AP-9 pertence á primeira xeración de autoestradas que se construíu en España, vías de peaxe que entraron en funcionamento nesa década dos setenta, a cabalo entre os últimos anos da Ditadura e os primeiros da democracia, e que foron xestionadas por empresas con concesións duns 30 ou 35 anos, en ocasións prorrogadas, coma a galega. A maior parte desas concesións están a piques de rematar e nos vindeiros anos asistiremos a unha sucesión de noticias que darán conta do regreso á xestión pública de importantes autoestradas. Está por ver, iso si, que iso implique que nesas vías desaparecen as peaxes. O Ministerio de Fomento nin o confirmou nin o desmentiu e simplemente indicou que analizaría a cuestión "cando chegue o momento da reversión e estas pasen á Administración Xeral do Estado". A AP-1 entre Burgos e Eibar (o 30 de novembro de 2018) será a primeira en rematar a súa concesión privada, exactamente 40 anos despois da súa inauguración (1978). Porén, xa en 2003 a AP-8 entre Irún e Bilbao -aberta en 1971- regresou á xestión pública. A AP-4 entre Sevilla e Cádiz e a AP-7 entre Tarragona e Alacante (ambas o 31 de decembro de 2019) serán as seguintes. Continuarán a AP-2 entre Zaragoza e Barcelona e a AP-7 entre La Jonquera e Tarragona (ambas o 31 de agosto de 2021). En 2026 será a quenda da polémica AP-6 entre Collado Villalba e Adanero (cunha data de fin da concesión que nos últimos anos bailou ao son de varias sentenzas xudiciais) e da AP-68 entre Zaragoza e Bilbao. E en 2029 chegará o momento da AP-15 entre Irún e Tudela (inaugurada en 1976). O Goberno asumiu o pasado ano o rescate de nove autoestradas, pola quebra das súas empresas concesionarias. Isto terá un custo para o Estado de ao redor de catro mil millóns de euros Todas elas son vías que se inauguraron un pouco antes que a AP-9, entre 1969 e 1978, aínda que forman perte dese primeiro impulso construtivo. En calquera caso, en todas elas a súa concesión rematará 20 e mesmo 30 anos antes que na autoestrada galega. É máis, antes de que chegue ese ano 2048 no que a AP-9 regresará á xestión pública, outras vías -todas elas construídas e inauguradas moito máis tarde que a Ferrol-Tui- rematarán a súa concesión. É o caso da AP-51 Villacastín-Ávila (inaugurada en 2002; fin da concesión en 2036), da AP-61 Segovia-San Rafael (de 2003 a 2031 ou 2036), da AP-7 Málaga-Estepona (de 1999 a 2046) e da AP-47 Alto das Pedrizas-Málaga (de 2011 a 2047). Todas parte da denominada segunda xeración de autoestradas. A situación que se vive coa AP-9, que no 2048 acumulará case 70 anos de concesión dende a inauguración do seu primeiro treito, só é comparable a outra vía do noroeste: a AP-66 que une Asturias e León, concretamente Campomanes e La Virgen del Camino. Inaugurada en 1983, a súa concesión chegará ata o ano 2050, 67 anos. O treito da AP-7 entre Estepona e Guadiaro e a AP-71 entre León e Astorga aínda volverán á titularidade pública máis tarde, no 2054 e no 2055, aínda que ambas foron inauguradas en 2002. A autoestrada cunha concesión máis duradeira é a AP-53 entre Santiago e Lalín, inaugurada en 2002 e que chegará en mans privadas ata o ano 2074 Hai que lembrar, ademais, que o Goberno asumiu o pasado ano o rescate de nove autoestradas, pola quebra das súas empresas concesionarias: a R-2 Madrid-Guadalajara, a R-3 Madrid-Arganda del Rey, a R-4 Madrid-Ocaña, a R-5 Madrid-Navalcarnero, a M-12 Aeropuerto de Barajas, a AP-36 Ocaña-La Roda, a AP-41 Madrid-Toledo, a AP-7 Circunvalación de Alacante e a AP-7 Cartaxena-Vera. Isto terá un custo para o Estado de ao redor de catro mil millóns de euros Finalmente, cómpre salientar que a autoestrada cunha concesión máis duradeira e que rematará máis tarde é tamén galega, pero non é a AP-9, senón a AP-53 entre Santiago e Lalín, inaugurada en 2002 e que chegará en mans privadas ata o ano 2074.
NOS_12281
Afirma que esta vía é a "único" que garante "o futuro" da compañía en Galiza e o mantemento do emprego.
Ferroatlántica solicitou formalmente á Xunta de Galiza a segregación da produción de ferroaleacións e da enerxía eléctrica, para poder así vender as centrais hidroeléctricas que posúe en Cee e Dumbría, na Costa da Morte. A través dun comunicado de empresa Ferroatlántica informa que deu inicio aos trámites "para levar a cabo a operación" e afirma que este paso é o "único" que garante o futuro da compañía no noso país e o "mantemento" do emprego. A empresa solicita formalmente a Augas de Galicia que, en base ao "interese xeral" e "de acordo a dereito" volva estas concesións hidráulicas ao seu "estado orixinal". Con isto procura que se elimine a prohibición que se lle impuxo no seu momento, a comezos dos 90 e pola Xunta de Fraga, de segregar as actividades. Ferroatlántica dille os traballadores das seis centrais hidroeléctricas que "non deben temer" polo seu futuro laboral, afirmando que atopou "un comprador solvente que garante por escrito preservar o emprego". Comité de empresa e concellos da comarca posicionáronse en reiteradas ocasións contra a segregación. Venda A comezos de febreiro coñecíase que as centrais hidroeléctricas de Villar Mir nos ríos Xallas e Grande venderíanse por 255 millóns de euros. Ferroglobe, resultante da fusión de Ferroatlántica coa estadounidense Globe, informaba que atinxiu un "acordo definitivo" para se desfacer das hidroeléctricas por esa cifra. Dela, o grupo recibirá 153 millóns, unha vez descontados gastos financeiros. O acordo confirmouno a empresa cun feito relevante remitido ás autoridades bursátiles de Londres e Nova Iorque.
NOS_15901
O presidente do Atlético de Madrid pide a este grupo de clara tendencia fascista que "se comporte como se ten que comportar". Varios integrantes do FA están en prisión polo asasinato dun seareiro do Dépor.
Hai apenas un mes do asasinato do seareiro deportivista Francisco Javier Romero Taboada, 'Jimmy', a mans de ultras do Atlético de Madrid. Non era a primeira vez que o Frente Atlético asasinaba. Xa o tiña feito, tamén perto do estadio Calderón, cun afeccionado vasco, Aitor Zabaleta. Unha listaxe á que engadir malleiras a persoas de cor, homosexuais, agresións a colectivos de esquerdas... e todo iso adobado con profusión de simboloxía e cánticos nazis e fascistas. Ideoloxía que o FA nunca ocultou. E da que non renega. Após o asasinato de 'Jimmy', o clube colchonero optou por se distanciar do FA, por anunciar que non volverían o estadio e amagar con medidas e sancións a estes ultras. Hai tres ultras en prisión, todos do FA, acusados de ser autores -presuntamente- do asasinato do seareiro galego. O presidente do Atlético de Madrid afirmou nesta cuarta feira, e horas antes do derbi co Real Madrid, que "o Frente Atlético sempre será benvido no Calderón, mais tense que comportar como se ten que comportar". Unha frase de Enrique Cerezo recollida polo diario deportivo Marca e que moitos consideran máis que permisiva para cunha claque, FA, cómoda na violencia e na extrema-dereita.
QUEPASA_156
Todas as táboas copeiras en www.copadacosta.com.
Outes e Corme deron un paso importante para meterse na finalísima da Copa. Se o Outes vencía ao Soneira por 3-1, máis clara foi a vitoria dun Corme que se perfila como máximo candidato ao título. En todo caso, despois das remontada sque protagonizaba o Outes e o Soneira ante o Cabana e a Esteirana en Cuartos, non hai nada selado. Outes - Soneira (3-1) Outes: Antón, Canoa, Perol, Joel, Fabián (Cartucho, m.81), Kevin (Stefan, m.75), Nico (Mangelo, m.70), Alex (Ryan, m.60), Josiño, Ramón e Fran Lires. Soneira: Chris, Dami, Jorge, Angel, Rauliño, Chasko, Alex, Nico, Cris Canosa, Brais e Fran. Goles: 1-0, m.41: Kevin de tiro cruzado pegado ó pao; 2-1, m.61: Fran Lires de zurdazo fóra da área; 3-1, m.68: Kevin nun remate na área pequena. Capis dos equipos xuvenís de Outes e Soneira co colexiado Miguel A. Vilas Lorenzo Partido de poder a poder no Conchido con poucas ocasións de gol e un resultado excesivo para o visto no terreo de xogo. En todo caso, os da Serra fixeron un partido moi completo, serios en defensa e con moito perigo en ataque, ante un moi bo rival que deu a talla en todo momento a pesar do que di o marcador. O partido empezaría cunha ocasión do Outes que cun centro que se envenena atopa a resposta de Chris (o meta soneirán foi do mellor do partido). O partido era pouco vistoso e con apenas chegadas ata que Kevin atopa un balón morto na área tras un saque de banda longo para facer o primeiro. A partir de aí o Soneira estirariase e Jorge á saída dun corner cun cabezazo pegado o pau que responde o meta local cun paradon avisaría os de Outes. Tras a volta do descanso o Soneira daría un paso adiante e Chasko de libre indirecto faría o empate. Brais apiques estivo de adiantar os soneiráns cun centro chut que bate no longueiro. As xogadas a balón parado dos visitantes eran moi perigosas. E cando mellor estaban os soneiráns, Ramón cun tiro axustado de fora da área faria o 2-1. E nunha xogada tonta Kevin chega forzado á liña de fondo e o cando parecía que Jorge ía sacar o balón na liña de gol bate nunha botella de auga e no pau e faría que non puidese chegar o balón sendo así o 3-1. Apartir de aí o Soneira intentaríao pero sin sorte. Corme - Sofán (5-1) Corme: Lucas, Angel, Noel, Aitor, Eloy Villar, Javi Bermúdez, Mauro, Manu Garrido, Alex Mato, Samuel, Manu Tasende. Tamén: Manu Cancela, Alex Nieto, Hugo e Miguel. Sofán: Christian, Adrián Añón, Simón, Nacho Eirís, Hugo, Cristian Lema, Aarón, Sergio García, Jonatan, Nacho Moreno, Kevin. Tamén xogaron: Diego, Raúl, Alex, Julián, e Juan Bello. Goles: 0-1, m.19: Kevin; 1-1, m.22: Noel; 2-1, m.26: Aitor de penalti; 3-1, m.42: Manu Garrido; 4-1, m.63: Mauro; 5-1, m.87: Alex Nieto. A calidade dos Aitor, Eloy, Samuel, Mauro Méndez, Manu Tasende… demostraron por que o Corme está chamado a ser o candidato número un a gañar esta Copa xuvenil. Os carballeses tiveron un espellismo ao comezo do partido, meténdose por diante cun gol de Kevin. Tanto que non provocou outra cousa que espabilar aos locais, que pronto empataron, fixéronse donos do terreo de xogo, e con calidade, e tamén cun toque de sorte nalgún tanto, foron levando o partido para o seu terreo. Non estaba sendo un partido tremendamente vibrante, pero a superioridade azulona era clara. Tivo o Sofán o 3-2 ao comezo da segunda metade, pero mandou un balón á madeira, e practicamente na contra seguinte Mauro facía o 4º. Fotos do Corme-Sofán de Fin Lema
NOS_51153
Esperanza Casteleiro é unha persoa da máxima confianza da ministra e desde 2020 ostentaba a secretaría de Estado de Defensa. Ingresou no CNI en 1983.
A até o de agora secretaria de Estado de Defensa, Esperanza Casteleiro, foi nomeada esta terza feira nova directora do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) en substitución de Paz Esteban, destituída como consecuencia do escándalo de espionaxe co programa Pegasus. Casteleiro é unha persoa cunha longa traxectoria profesional no CNI, do que chegou a ser secretaria xeral, segundo lembrou esta terza a ministra de Defensa, Margarita Robles, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras que deu o visto e prace á substitución na cúpula de Intelixencia. Secretaria de Estado de Defensa desde xuño de 2020, é unha persoa de gran confianza de Robles, coa que chegou ao Ministerio de Defensa como directora de gabinete. Casteleiro ingresou no Centro Nacional de Intelixencia no ano 1983, ocupando até 2018 diversos postos en unidades centrais e no despregamento exterior —en Cuba e Portugal—, sempre no ámbito da Intelixencia. O 28 de setembro de 2004 foi nomeada secretaria xeral do CNI, cargo que ostentou até xuño de 2008. Entre 2008 e 2014 ocupou novos destinos en unidades de Intelixencia no exterior e desde 2014 até a súa chegada a Defensa ocupaba a xefatura da Unidade de Intelixencia do CNI no Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado. Grande-Marlaska, terceiro membro do Goberno estatal espiado por 'Pegasus' Paz Esteban, destituída O Goberno español acordou a destitución da directora do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Paz Esteban, como consecuencia do 'caso Pegasus' e tras 39 anos de traballo nos servizos de Intelixencia. Esteban era a principal sinalada tras destaparse o informe de Citizen Lab sobre unha presunta espionaxe a máis de 60 políticos independentistas a través do programa Pegasus. Ademais, o Goberno revelou a pasada semana que tamén foran extraídos datos mediante o mesmo programa dos teléfonos móbiles do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e da ministra de Defensa, Margarita Robles.
NOS_42404
A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo vén de publicar a Guía Didáctica Máis aló do prato, un traballo que sitúa o foco en comprender o impacto que pode chegar a ter a nosa forma de alimentarnos.
Que consecuencias sociais se derivan do actual modelo alimentario? Cal é a pegada ambiental dos alimentos que consumimos? Son as preguntas ás que procura resposta a Guía Didáctica Máis aló do prato, propoñendo actividades divulgativas pensadas para os ensinos primario e secundario, para avanzarmos na educación alimentaria desde as escolas. A obra é autoría dos investigadores Xavier Simón, David Pérez-Neira, María Montero, Damián Copena e a cooperativa SomosTerra. Con esta colaboración no caderno Aprender, estruturada en tres entregas, queremos ir máis aló dos centros educativos e partillar coa sociedade máis ampla o significado das nosas decisións alimentarias. Imos aló coa primeira! Neste primeiro achegamento, propoñemos un pequeno mergullo no contexto histórico. A partir dos anos cincuenta a economía mundial comezou unha profunda transformación dirixida ao incremento desbocado da produción, dos investimentos, do comercio internacional e do consumo de recursos. Isto ocorreu a escala mundial, liderado polas compañías multinacionais occidentais, europeas e norteamericanas, sobre todo. O Estado español permaneceu á marxe desa dinámica ata a apertura da economía española a partir dos anos sesenta. Nese momento, todos os ámbitos da nosa vida comezaron a transformarse aceleradamente, a coñecida modernización do transporte, dos servizos, do turismo, da enerxía e da industria en xeral. No caso galego, a transformación profunda da agricultura e do sistema agroalimentario acelerouse coa entrada na Unión Europea en 1986. Comezou a «modernización» da comida, dos hábitos de consumo e da produción de alimentos: cada vez maior especialización nalgúns produtos, a dependencia cada vez maior do mercado internacional, unhas dietas cada vez máis parecidas á da poboación europea e americana, unha perda de variedades vexetais e animais, unha perda de costumes alimentarias e unha crecente industrialización do campo e da alimentación, xunto coa artificialización dos modelos de produción e de consumo e a expansión do monocultivo. No caso galego, de forma retardada respecto á media española e europea, esa «desexada» modernización desembocou no retroceso da actividade agraria e gandeira e no acelerado abandono do medio rural. Así, en cuestión de vinte anos (entre 1989 e 2009) produciuse unha redución do 77,5% no número de explotacións agrarias presentes na Galiza. Menos explotacións agrarias cun maior tamaño medio (multiplicouse por máis de 2 entre 1997 e 2016), insuficiente para dar uso a todo o espazo produtivo agrario e forestal. Ademais, coa globalización do sistema alimentario creceu a importancia da produción animal dentro do modelo produtivo e de consumo e mudou o uso dado a alimentos dispoñíbeis. Ilustremos isto con algúns datos da FAO. En España, en cuestión de 50 anos (entre 1963 e 2013) as explotacións gandeiras criaron tres veces máis aves, catro veces máis porcos e unha vez e media máis vacún. Ese incremento desmesurado da cabana gandeira supuxo que máis da metade dos 11 millóns de toneladas de trigo dispoñíbeis en 2013 fosen adicados á alimentación animal e non aos humanos directamente. No mesmo ano, a media española de consumo anual de carne por persoa era máis do dobre da media a nivel mundial. Para satisfacer esta demanda, cada día aumenta o número de explotacións gandeiras en intensivo, nas que tanto as condicións de benestar animal como os impactos ambientais son realmente alarmantes. Este dato invítanos a reflexionar no cambio que se produciu respecto ao papel da gandaría no sistema agrario tradicional na Galiza. En case todas as casas había vacas, porcos, ovellas, cabras, galiñas, galos ou coellos de distintas razas e diversas variedades. Estes animais producían carne, leite, ovos e esterco. A cantidade de animais encaixaba dentro da dispoñibilidade de recursos presentes no lugar para alimentalos e a cantidade de esterco producida era a idónea para poder fertilizar as terras de cultivo. De feito, as persoas ían buscar toxo, xestas, etc. ao monte, favorecendo a prevención de incendios forestais ao tempo que completaban a receita perfecta para a maduración do esterco antes de aplicalo nas fincas. Xa eran expertos na economía circular. A crecente intensificación da produción, a industrialización da comida e o número crecente de alimentos viaxando polo mundo, implica un crecente impacto ambiental. E por suposto, un impacto social de magnitude alta: nunca antes se produciron tantos alimentos pero nunca antes tantos millóns de persoas sofreron inseguridade alimentaria ou padeceron enfermidades, ata a morte, como consecuencia da carencia de alimentos ou de verse afectados por condicións insás para vivir.
NOS_52600
Maggie Lennon fai parte do Comité Executivo da organización escocesa Mulleres pola Independencia. Nós Diario conversa con Lennon sobre a actividade desta organización e da actualidade de Escocia, onde a posibilidade dun novo referendo de independencia en 2023 marca gran parte da axenda política.
—Cal é o traballo que desenvolve a organización escocesa Mulleres pola Independencia? Poñemos o foco en que o vindeiro referendo para a independencia de Escocia teña lugar en 2023. Mulleres pola independencia é a única organización independentista que, fóra do ámbito dos partidos políticos, ten traballado sen descanso por un novo referendo desde que tivo lugar o anterior, en 2014. A situación da Covid complicou moito a acción do asociacionismo, así que agora estamos moi centradas en construír de novo cadros organizativos e intentar que novos grupos se involucren connosco ao longo do territorio escocés. Polo de agora xa somos un milleiro de mulleres as que pertencemos a Mulleres pola Independencia. Nos últimos 18 meses tamén estivemos a desenvolver o 'Womanifesto', onde estabelecemos as nosas reivindicacións como mulleres en Escocia tanto a nivel inmediato como aquelas que pensamos que se deberían desenvolver despois da independencia da nosa nación. De feito, o nome completo da nosa organización é Mulleres pola Independencia e Independencia polas Mulleres. Non puxamos por un simple cambio constitucional senón que queremos traballar con outras organizacións de mulleres de Escocia para facer mellores as leis que afectan ás mulleres. —Haberá referendo en 2023? A lexislación para un referendo está a ser escrita no Parlamento escocés (Holyrood), mais en 2014, cando tivemos o primeiro referendo, había un acordo formal entre Holyrood e Westminster (Parlamento do Reino Unido) para aceptar o resultado das votacións así como para acordar a pregunta que se formularía. Ademais tamén existía recoñecemento internacional. Pola contra, desde 2014 o Westminster afirma que non nos vai permitir realizar un novo plebiscito, e isto podería provocar unha situación similar á que vimos en Catalunya en 2017. A primeira ministra de Escocia, Nicola Sturgeon, sempre di que non quere ter un referendo nesas condicións, que non quere que ninguén poida cuestionar a validez do mesmo, nin o Westminster nin a comunidade internacional. Boris Johnson e as autoridades do Reino Unido apelan a unha frase do ex primeiro ministro escocés Alex Salmond nunha entrevista despois de renunciar ao mandato na que dixo que se perdera unha oportunidade única nunha xeración, mais isto é simple retórica que non está escrita en ningunha lei. Temos motivos, 65% da poboación escocesa votou contra o Brexit. Moita xente que votou en contra da independencia di agora que votaría 'si' se iso significase volver facer parte da UE. —Haberá acordo co Reino Unido? Non sei a resposta a esa pregunta. Escocia é un país moi rico, o Reino Unido quere manter o control sobre os nosos recursos. Mais hai un factor realmente interesante, hai uns anos diría que Escocia sería independente moito antes do que Irlanda fose reunificada, e xa non estou tan segura. Pode que Irlanda se una máis rápido, e se iso pasa, a ruptura do Reino Unido terá comezado, a Unión estaría danada e iso facilitaría a Escocia o camiño para negociar unha saída. Irlanda podería crear un efecto dominó. —Cal é a súa opinión sobre o Goberno de Nicola Sturgeon? O primeiro Goberno do Scottish National Party sorprendeume, fixérono moi ben e os discursos de Sturgeon deixáronme realmente impresionada, leváronme a facer parte deste partido. Para min eran unha forza disruptiva, mais agora levan 15 anos no Goberno, xa non o son, e córrese o perigo de que medre o sentimento de que están máis preocupados por manter o poder que en moverse cara ao seguinte escenario, que é a convocatoria dun novo referendo. "A independencia ten que mudar Escocia" Maggie Lennon afirma que non quere "unha Escocia independente que sexa o mesmo país que é agora". Sinala que a independencia non debe significar "un mero cambio de bandeira", senón ser unha ferramenta para mudar a "uns valores diferentes" nun país "no que se lle dean oportunidades ás nosas crianzas", se "defendan os dereitos das mulleres" e "as persoas maiores teñan os coidados adecuados". "Agora, Londres até decide por nós en temas que maioritariamente concirnen a Escocia, como as cotas pesqueiras", denuncia Lennon. A independencia mudaría o sistema político e o Scottish National Party quebraría entón en forzas diversas, explica. "É un partido amplo, do que eu fago parte, mais estou á esquerda dunha forza ampla na que mesmo hai membros de dereitas". "Ao Labour Party pasaríalle o mesmo, encantaríame ver un verdadeiro socialismo en Escocia no primeiro plano".
NOS_14433
A Coordernadora nacional de emigrantes retornad@s reuniuse coas forzas da oposición e o Valedor do pobo para demandar apoio institucional ás súas reivindicacións. "Isto é un atraco", denuncian, "non é cumprir a lei".
Representantes da Coordenadora nacional de emigrantes retornad@s mantiveron unha xuntanza no Parlamento de Galiza con representantes dos tres grupos da oposición. Se ben o Partido Popular "foi o primeiro" en lles conceder unha xuntanza, nesta ocasión alegou motivos de axenda para non recibir @s afectad@s mais desde a Coordenadora agardan recibir, cando menos, unha "resposta por escrito" ás súas demandas para "saber se nos apoian" e "o que pensan". As forzas da oposición amosaron o seu apoio @s emigrad@s No entanto, representantes do BNG, AGE e PSdeG responderon á chamada da Coordenadora e amosaron o seu apoio ás demandas expresadas polo colectivo. "Foi unha reunión moi positiva" asegurou en declaracións a Sermos Galiza Manuel Domínguez. "Partillan as nosas reivindicacións e obxectivos" e comprometéronse, dixo, a elevalas á Cámara. "Desde BNG", explicou Domínguez, "dixeron que ían continuar cunha proposición de lei" que vise dar solución a este "atraco", considerou un dos portavoces da Coordenadora. E é que entre os obxectivos d@s emigrad@s retornad@s está a "paralización dos expedientes" abertos, "a devolución do diñeiro cobrado" e a "parálise da lei" pola cal o Goberno español e a Axencia tributaria reclaman "multas, sancións e xuros de demora" por unha suposta fraude fiscal da que @s afectad@s non tiñan coñecemento. "Obran como se fosemos defraudadores" "Logo de anos e décadas de vir recibindo pensións desde os países nos que estivemos traballando, sen que esas rendas figurasen como ingresos a tributar, agora Facenda esíxenos o pagamento atrasado do imposto sobre a renda correspondente, incrementado con xuros de demora e máis sancións" explican desde a Coordenadora nacional. Para tal requirimento, a administración española apela á Lei 35/2006 modificada con posterioridade "en 2012 e 2013", continúa Domínguez. "Obran como se fosemos defraudadores mais non sabiamos nada desa lei". Manuel Domínguez, afectado: "Se isto non se resolve teremos que ir pola vía xudicial" Mariñeiros da mercante, viúv@s de emigrad@s, herdeir@s de emigrantes finad@s, emigrad@s con discapacidade... son algunhas das persoas que se ven atinxidas por esa reforma lexislativa. Após meses de loita e de se agruparen nunha Coordenadora, centos de persoas de todo o país procuran o apoio político e social que revogue a norma e paralice o proceso de cobro. Continuarán coas mobilizacións "Foi unha decisión política" a que deu lugar á reforma polo que entenden, "tamén poden mudala", apunta Manuel Domínguez. Neste senso, acudiron tamén ao Valedor do pobo e prevén continuar a rolda de xuntanzas e a vaga de mobilizacións. "Iremos alí onde sexamos máis visíbeis", explica, ao tempo que di non desbotan elevar a súa voz a institucións para alén de Galiza. Prevén elevar a súa loita para alén da Galiza e non desbotan chegar a Bruxelas "Prevemos xuntarnos co ministro Montoro e mesmo ir a Estrasburgo", acrecenta. "Se isto non se resolve", advirten desde a Coordenadora nacional "teremos que ir pola vía xudicial" pois do que están cert@s, e así o reflicten diversas sentenzas xudiciais, "é que é inxusto" e mesmo contrario a dereito. "É un abuso de poder", sentencia Domínguez, "van facer caixa e recaudar". Isto, denuncian, "non é cumprir a lei, é un atraco".
NOS_57806
O xerente da área sanitaria, Félix Rubial, volve amosar a súa preocupación e destaca que o 75% dos infectados son persoas menores de 35 anos.
"Explosivo". Así é o incremento dos contaxios pola Covid-19 segundo o xerente da área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, Félix Rubial. Despois de varios días amosando a súa preocupación, agora o responsábel da demarcación fai un chamamento para que a cidadanía acuda aos cribados, unha das formas de control epidemiolóxico que volve coller forza nestas semanas. Rubial explicou esta sexta feira que en tan só 24 horas os positivos chegaron até os 606, subindo 141 casos con respecto á xornada anterior. En consecuencia, conclúe que o crecemento está a ser "explosivo". Malia recoñecer que eses datos non se trasladas aos centros hospitalarios en grandes cantidades, si incide en que a xente atenda á súa "responsabilidade individual" para tomar as precaucións necesarias para non infectarse co virus. Neste sentido, afirmou que "independentemente" de que a infección na saúde dos máis novos "maioritariamente é asintomática e noutros casos preséntase con moi poucos síntomas", aínda hai moitas persoas sen ter a pauta de inmunización completa. En consecuencia podería haber contaxios a persoas máis maiores, tamén a cidadás nas que na inmunización non foi completa e mesmo ao resto de mocidade que si poda ter máis riscos. "Corren o risco na contorna doméstica de contaxiar a persoas que si poden sufrir os efectos da enfermidade", destacou Rubial. Así comentou que neste momento o 75% das doentes son menores de 35 anos. Nesta liña, pediulles que non esquezan ir a cribados como o convocado en Barbadás. "É unha medida de seguridade para un mesmo pero tamén para a súa contorna", defendeu. En setembro, cos menores de 20 anos En paralelo a estas advertencias, a Xunta anunciou que estima que a vacinación nas galegas e galegos menores de 20 anos comezará a mediados do mes de setembro. "Se non vacinamos máis é porque non chegan as vacinas", lamentou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.
PRAZA_20733
Hoxe temos a ocasión de poder entender que a violencia non é máxima dunha cultura, se non unha expresión mínima pero terrible, moi terrible. Temos que entender que é a violencia estrutural e decatarse que ten poder, moito poder, polo que debemos potenciar sen concesións a construción de ferramentas que faciliten os procesos educativos e relacionais como punto de partida ante a violencia.
Barcelona e a Educación Social: E agora que? Continuar. Dende a nosa profesión, non queda outra. Non comezamos a traballar de cero, porque levamos moito tempo intervindo na multiculturalidade e na Educación para a Paz, pero somos conscientes que actos como este cuestionan particularmente as nosas funcións. Aínda así, non dubidamos que a ferramenta, o noso traballo de intervención social -como ben enunciou Jesús Jares- , é "un proceso dinámico, continuo e permanente (...), que pretende desenvolver unha nova cultura, a cultura da paz, que axude ás persoas a observar criticamente a realidade situándose en fronte e actuar en consecuencia"(Jares, X. -1999-. Educación para la paz. Madrid: Editorial Popular). Pero vai ser moi duro, porque horas despois do atentado, as redes tinguíronse de odio de xeito preocupante. E non soamente as redes, senón tamén xornais, faladoiros de televisión, partidas de dominó no bar da esquina... Como traballamos esta situación? Temos forza suficiente para contrarrestar un sentimento de enfrontamento continuo? Para incidir no desánimo do noso colectivo, unha compañeira educadora social, nunha reportaxe de La Vanguardia, derrúbase e expresa a súa impotencia, xa que foi unha das profesionais que durante anos realizou a súa labor educativa cos rapaces que, confirmado xa, formaron parte do atentado. Un motivo máis para que escéptic@s (e xenófob@s) apliquen a máxima de: "Non hai outra solución". É complexo formular que estamos de novo ante unha oportunidade. Si, unha oportunidade. Ao igual que no seu momento, un autobús laranxa contribuíu a apreciar a (fermosa) diversidade que existe no ser humano, aínda que non fose nin moito menos a súa intención, hoxe temos a ocasión de poder entender que a violencia non é máxima dunha cultura, se non unha expresión mínima pero terrible, moi terrible. Temos que entender que é a violencia estrutural e decatarse que ten poder, moito poder, polo que debemos potenciar sen concesións a construción de ferramentas que faciliten os procesos educativos e relacionais como punto de partida ante a violencia. É apostar por unha cultura da Paz activa, na que todo o mundo é responsable, non soamente aquel@s que gobernan. Non permitamos que o odio sexa o condutor nestes procesos, e poñamos en marcha procesos de dinamización social que poñan en valor ás persoas e as súas culturas. A sociedade que vén, é a mocidade que hoxe recibe mensaxes sen capacidade para filtrar. Depende de nós que sexa una xuventude de paz e non de rabia. Por outra parte e, pese a escasa presencia de figuras profesionais necesarias para entender a sociedade diversa coa que convivimos, entendemos que a nosa responsabilidade está en propiciar encontros con elementos culturais que conviven no día a día. Establecer canles que poñan en valor a importancia dunha comunicación sen medos e sen estereotipos negativos. De feito, esta convivencia cultural, tamén é unha realidade no noso país e, polo tanto, unha obriga social atendela. Finalmente, e como reivindicación que pode resultar pesada por parte do noso colectivo, é preciso transformar dende abaixo. É preciso ter espazos de encontro dende perspectivas non intoxicadas por un entorno non "amigable". Si: as escolas, os institutos, os espazos de educación formal. É unha esixencia actual contar con profesionais que fomenten a capacidade crítica para diferenciar os tipos de violencia existentes, así como os chamados "delitos de odio". De novo, procuremos aproveitar o potencial profesional que temos na nosa terra que, afortunadamente, non é pouco.
NOS_51886
Antonio Río Montero era un dos últimos executores do brindo, o xénero de improvisación oral por excelencia das montañas orientais galegas.
Finou 'O Ribeira de Louzarela', de Pedrafita do Cebreiro, un dos últimos brindeiros. Os brindos son coplas de catro versos con rima par que se interpretaban nas vodas. A cadea de montañas do oriente galego foi sempre rica en brindeiros, que noutras partes do país din regueifeiros. Antonio Río principiou con apenas 13 anos a facer 'brindos' e durante estas décadas convertiuse nunha referencia no mundo da improvisación na Galiza. A central folque editou o CD-libro O Ribeira de Louzarela, brindador da dentro. Un traballo que permitiu aproximármonos "á microhistoria deste último brindador de Pedrafita do Cebreiro abrindo a porta a toda unha tradición dos cantos dialogados de voda". Con texto do filólogo e improvisador oral Kike Estévez e a análise musical de Pablo Bernárdez, este libro pertence á colección Chave Mestra da Central Folque. En 2018, na parroquia de Louzarela, inaugurouse un monumento a Antonio Río nun acto no que tomaron parte perto dun cento de persoas.
PRAZA_13023
María José Caride acusa o presidente da Xunta de obrigar a pagar 50 millóns de euros en medicamentos a pensionistas e asalariados e a pesar diso pechar 2012 co dobre de endebedamento que cando chegou ao Goberno. Pídelle que "priorice o benestar dos galegos e diga non á invasión de competencias por parte do Estado fronte aos intereses partidistas".
María José Caride, voceira de Facenda do PSdeG, criticou este venres que o Plan Económico Financeiro de Requilibro do Goberno galego, aprobado no Consello de Política Fiscal e Financeira do xoves, supón "castigar dobremente a Galicia" e lamentou que o presidente da Xunta "teña aceptado un novo axuste orzamentario logo de tres anos de recortes drásticos aos galegos e galegas". A responsable socialista afirmou que o Plan Económico Financeiro de Requilibro obrigará aos pensionistas e asalariados a pagar os 50 millóns de euros que a Xunta prevé recadar a costa de implantar o dobre pagamento nos medicamentos. E sinalou que Feijóo impón un sobrecuste ás prestacións sanitarias malia que os galegos teñan a pensión mais baixa de todo o Estado. Caride asegurou que o plan supón "castigar dobremente a Galicia" e lamentou que o presidente da Xunta "teña aceptado un novo axuste orzamentario logo de tres anos de recortes drásticos aos galegos e galegas" Polo tanto, reclamoulle a Fejoo que "priorice o benestar dos galegos e das galegas fronte aos intereses partidistas e diga non á invasión de competencias por parte do Estado que deteriora os servizos públicos de Galicia". Denunciou que se obrigará aos pensionistas a pagar os medicamentos, aumentará a factura farmacéutica, cobraráse polo transporte sanitario e aumentaránse as taxas sanitarias a pesar de levar tres anos de "duros axustes". A pesar dos recortes, Galicia pechará 2012 cunha débeda de 7.854 millóns de euros, 4.000 mais que en 2009. Caride dixo que resulta posible incrementar os ingresos aumentando o imposto de patrimonio "e que non teñan que pagar a crise o pensionistas" ou implantar unha taxa ás transaccións financeiras para que os bancos aporten o seu esforzo "e non obriguen a pagar aos cidadáns sen traballo". Finalmente, Caride concluíu que a Xunta de Galicia "demostrou que carece de capacidade, iniciativa, ideas nin proxecto económico para Galicia", xa que o Plan de Reequilibro "non incorpora unha soa medida para a reactivación económica e do emprego".
NOS_56092
Esta segunda feira trascendeu que o ADIF omitira -supostamente "por erro"- a entrega ao xuíz de información relevante sobre o sinistro de Angrois, saldado en xullo de 2013 con 81 mortos. O BNG pide agora a reprobación do Goberno Rajoy por agachar esta documentación.
En maio pasado, a Audiencia Provincial da Coruña resolveu que o caso Angrois non estaba a ser suficientemente ben investigado e que, contra o criterio do xuíz e do fiscal, non se podía saldar apenas coa acusación ao maquinista, o único imputado até o de agora polo sinistro. A Audiencia entendía que existían serias dúbidas sobre se o ente administrador da infraestrutura avaliara suficientemente os riscos da liña Santiago-Ourense. Do mesmo criterio son dous peritos que esta cuarta feira ían realizar unha declaración perante o xuíz. É xusto nas vésperas desta cuarta feira cando o ADIF resolve entregar unha información que a propia Advogacía do Estado reputa como relevante. Nesa documentación tenciónase demostrar que a administración ferroviaria titular da infraestrutura na que se produciu o sinistro si realizara unha análise de riscos sobre a liña de alta velocidade Santiago-Ourense. O ADIF tenta demostrar agora, tres anos despois, que si avaliou os riscos da liña, mais na súa documentación omitese toda referencia á curva de A Grandeira A documentación son 300 folios e nela non hai nengunha referencia ao perigo concreto existente na curva de A Grandeira, na que se produciu o sinistro. O volume da información é tan grande que o xuíz adiou a declaración dos peritos para lle dar tempo a estudala. A Audiencia Provincial entendeu en maio pasado que compría investigar a decisión de non instalación do sistema de seguranza ERTMS -que tería freado automaticamente o comboio ao se producir o despiste do maquinista- no ponto da liña -un trazado antigo- en que se rexistou o accidente. A Advogacía do Estado alega que a omisión da entrega desta documentación relevante foi un "erro". O asunto obviamente salta á area política e o Bloque Nacionalista Galego -por boca da súa portavoz nacional, Ana Pontón- anunciou esta terza feira que a formación soberanista levará ao Parlamento galego unha proposta de reprobación "de todo o goberno do Estado por ocultar información relevante que podería deitar luz sobre as consecuencias do accidente de Angrois". Pontón enfatizou que o Parlamento galego se debe pór "ao lado das vítimas" e reiterou que agora máis que nunca ten sentido a posta en marcha dunha "comisión independente de investigación". O BNG, salientou aínda, demanda que "se adopten as medidas necesarias para que os trens que circulan por Galiza garantan a seguridade para as persoas porque dous accidentes graves en tres anos [reférese tamén ao recente sinistro producido no Porriño] é un síntoma de alarma como para que se nos diga que aquí non pasa nada e se intente responsabilizar unicamente os maquinistas deses trens".
NOS_48279
Adega fai público o mapa das áreas afectadas polas fumigacións aéreas de eucaliptais afectados polo gorgullo. Nesas terras, algunhas delas incluídas na Rede Natura 2000, hai ríos, localidades habitadas e especies en perigo de extinción
A Xunta xa dispón dun mapa coas zonas propostas pola patronal española do papel, Aspapel, para proceder coas fumigacións aéreas das plantacións de eucalipto que na Galiza están afectadas polo gorgullo. Son en total 69 áreas de 8 quilómetros de diámetro cada unha, distribuídas en terras da Coruña --40 localizacións--, Pontevedra --28 localizacións-- e Lugo --1 localización-- e responden ás masas máis extensas e con maior afectación da praga. Mais non só iso. Na cartografía elaborada pola empresa española Fitoaragón S.L. aparecen tamén lugares habitados, cursos fluviais e espazos que forman parte da Rede Natura 2000. Un delito apoiado desde a Administración galegaDa Rede Natura forman parte "un número importante das áreas" nas que se procederá ás fumigacións. Nesas terras viven especies protexidas de insectos a cuxa conservación obriga a Directiva 92/43 CEE e que tamén se verán afectados polo tóxico, coma a bolboreta Euphydryas aurinia, coleóptero Cerambyx cerdo --o escarabello máis grande da Galiza-- e o escarabello Lucanus cervus --vacaloura--, que están consideradas de interese comunitario e que figuran no Anexo II da Directiva de Hábitats. Alén destas especies, tamén os morcegos e as aves insectívoras ficarían vulnerábeis ante o veleno. Atendendo á Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade e á Lei 9/2001 de Conservación da Natureza calquera dano a estas especies podería ser constitutivo dunha falta moi grave e mesmo dun delito penal, "coa agravante de ser a propia Administración quen o cometería", segundo considera a organización ecoloxista Adega, que acusa á Xunta dunha "submisión escandalosa ao lobby do eucalipto". Estas 'Zonas de tratamento químico', como foron designadas pola mencionada empresa, serán fumigadas con Cascade, un praguicida que inclúe entre a súa composición o principio activo flufenoxuron, de elevada toxicidade --tal e como se pode ler mesmo na etiqueta do produto-- e de "enorme" dispersión ao empregar métodos aéreos, tal e como apunta Adega. "Persoas, animais e a biodiversidade ficarán expostas ao veleno", sinala a asociación ecoloxista, e advirten ao Goberno galego da complicidade que está a demostrar "nun delito contra a saúde das persoas e do medio ambiente", polo apoio brindado a esta práctica. Aínda nesta quinta feira o secretario xeral de Montes compareceu no Parlamento para negar a toxicidade do praguicida que se empregará. "A Xunta está totalmente comprada"Diante dos sucesos acontecidos nestes días en relación coas intencións de Aspapel de proceder a fumigacións aéreas na Galiza co visto e prace das consellerías do Medio Ambiente e do Medio Rural, a plataforma Fumigacións non! vén de comunicar que, segundo o Regulamento da Comisión Europea nº942/2011, concédese Estados membros ata finais de 2012 un prazo para que sexa retirada do mercado este praguicida, que leva como principio activo o flufenoxuron. Cos datos recollidos pola plataforma, a eurodeputada do BNG Ana Miranda fixo unha interpelación parlamentar dirixida á Comisión Europea, preguntando polas medidas que adoptarán para garantir o cumprimento da normativa comunitaria cando as intencións de Aspapel e da Xunta afectan "á saúde alimentar e á preservación do medio ambiente", tendo en conta que mesmo as fumigacións aéreas están prohibidas na UE desde o 2011. Seguen a practicarse, e empregando este mesmo principio activo de alta toxicidade, en plantacións propiedade dos terratenentes en Perú, Colombia ou Chile, de cultivos coma o algodón ou o tabaco. Na liña, o colectivo contra as fumigacións está a preparar novas accións en Monfero --nunha xuntanza convocada por Asociación Forestal--, en Ortigueira --nun encontro organizado por Unións Agrarias-- e no Porto do Son --onde tamén convocou ás veciñas e veciños Asociación Forestal-- para "desmentir" as bondades das fumigacións que as organizacións convocantes pretenden transladar á cidadanía. A plataforma refuta as declaracións do secretario xeral de Montes perante o Parlamento, nas que apuntou que o Goberno galego "só autoriza as fumigacións mediante helicóptero, mais nin finanza nin promove o tratamento", atribuíndoo "sen ningún tipo de escrúpulo" a empresas do sector madeireiro, segundo denuncian desde Fumigacións non!, que resumen a situación nunha soa frase: "A Xunta está totalmente comprada e a expensas das grandes multinacionais, sexan químicas ou madeireiras".
NOS_45163
Serio obstáculo para a pretensión de JxCat de investir Puigdemont como president.
Un informe dos servizos xurídicos do Parlament -encarregado por Carme Forcadell a petición do PSC e de Cs- estabelece a presenza física na cámara como requisito para a apresentación dunha candidatura na sesión de investidura. Non existiría, portanto, espazo para unha candidatación telemática ou delegada, de acordo co parecer das e dos letrados. O respeito ás normas básicas dos "procedimentos parlamentares" torna "imprescindíbel" a asistencia no debate sen que caiba a posibilidade de ningún "medio interposto" -en alusión a un sinal de vídeo- nen "a substitución da persoa que ten de ser o principal protagonista", en referencia a unha hipotética delegación do discurso por parte de Puigdemont a outro cadro político de JxCat. O informe xurídico non só se debruza sobre o cenario dunha investidura telemática de Puigdemont, senón que tamén avalía a hipótese da delegación de voto dos soberanistas encarcerados en Estremera, opción aberta polo xuíz do Supremo Pablo Llarena. Neste caso concreto, as letradas do Parlament discrepan do xuíz e advogan por unha leitura restritiva das normas que permiten a delegación de voto. Entenden que só cabe nos casos concretos de incapacidade física ou psíquica, condicións que non serían de aplicación para Junqueras, Forn e Sànchez.
NOS_11902
Poucos días despois de que o pasado 23 de xuño rematase o total derribo da casa de Reza, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña mostra a súa "profunda decepción" polo fin da vivenda.
Como unha "profunda decepción polo final da vivenda" é a maneira na que a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña valora a total desaparición da vivenda unifamiliar en Reza construída polo profesor de Proxectos, Fernando Blanco Guerra en 1993. Reclaman que se teña en consideración o "valor patrimonial de obras de excelencia". O derribo, que rematou o pasado 23 de xuño, supón, segundo a ETSAC, privou " a unha familia do seu ben primario e a unha sociedade, a nosa, dunha obra esmerada e encaixada exemplarmente na escea rural-urbana de Galicia". Valoran da vivenda a súa integración na paisaxe coa súa "tipoloxía escalonada exemplar para a circunstancia física de núcleos rurais periurbanos de topografía accidentada como é Reza". Describen o deseño proxectado como Fernando Blanco como un traballo con valor propio na arquitectura residencial contemporánea, "ao facer do seu podio de granito albergue de dormitorios para obter unha planta alta diáfana que contén as zonas sociais da vivenda, cociña, comedor, e gran sala que contén un fermoso fogar de aceiro obra do escultor ourensán Luís Borrajo". O escultor, membro do grupo Atlántica e finado hai agora dez anos, é un recoñecido autor tanto de obra privada como pública, en especial, na cidade de Ourense. "Cómpre unha reflexión de todos sobre o control urbanístico das nosas cidades e territorio, e o valor patrimonial de obras de excelencia", conclúen.
NOS_4791
A ministra Carolina Darias asegurou que poderían asumir a campaña de inoculación fronte á Covid-19 a nenas e nenos de menos de 12 anos no momento en que o autorice a Axencia Europea do Medicamento (EMA). Ademais, após o encontro do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, comentou que varios territorios xa remataron o tratamento coa terceira dose nas residencias de maiores.
O Ministerio de Sanidade está en disposición de dirixir unha nova campaña de vacinación fronte ao coronavirus, neste caso entre as crianzas de menos de 12 anos, neste mesmo momento. É o que trasladou esta cuarta feira a responsábel desta carteira, Carolina Darias, ao garantir que España está "preparada" para comezar o tratamento cando a Axencia Europea do Medicamento (EMA) dea a súa autorización. Unha vez rematada a reunión de traballo cos membros do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), Darias advertiu de que "non vai ir á marxe da EMA". "Estamos preparados", afirmou respecto ao momento no que a axencia dea o seu visto e prace á inoculación dos fármacos de loita contra a Covid-19 nas nenas e nenos. "As comunidades autónomas van seguir realizando o mesmo traballo excelente que fixeron ata o de agora", engadiu, ao respecto dunha hipotética campaña de vacinación. Revisión de grupos receptores Ao tempo, a representante do Goberno estatal explicou que o seu departamento está nun "proceso de revisión continua" da evolución epidemiolóxica e dos posíbeis contaxios para aclarar cales son os grupos de poboación que deben recibir unha terceira dose de reforzo. Ao fío desta medida, Darias revelou que distintos territorios "comunicaron que todos os usuarios das súas residencias xa recibiron a terceira dose". Continuidade da máscara Na súa comparecencia, a ministra alertou de que as máscaras "chegaron para quedar", cando menos no outono ante a incerteza do que poida acontecer coa gripe. "O que si temos claro é que polo menos durante un tempo van seguir connosco", insistiu a modo de advertencia á cidadanía.Ademais de falar da evolución sanitaria da Covid-19, en España emitíronse xa 27 millóns de certificados.
NOS_42197
Nunha sentenza do 19 de abril o tribunal obriga ao Estado español a paralizar a actividade da pasteira por non posuír concesión para a "ocupación do dominio marítimo terrestre"
A Audiencia Nacional recolle na sentenza publicada que a factoría non solicitou os permidos debidos para continuar a desenvolver a súa actividade en Lourizán logo de se converter nunha empresa privada. Neste senso, o tribunal obriga ao Estado español a paralizar o traballo na pasteira. Porén, desde Ence manifestaron xa a súa vontade de recorreren o fallo ao aseguraren que a Audiencia "non entra no fondo" da súa instalación senón nunha cuestión "procedimental" derivada, din do "silenzo administrativo". Así, desde Ence afirman que a decisión adoptada polo tribunal español "non declara a nulidade da concesión" que podería ser ampliada --como coñecimos esta mesma semana-- para alén de 2018. A pasada quinta feira, o Congreso d@s deputad@s votaba a reforma da Lei de Costas prevista polo Goberno de Mariano Rajoy. Con esta mudanza lexislativa factorías como Ence poden ver ampliadas as súas concesións até 75 anos máis. Imaxa capa: PontevedraViva
PRAZA_11433
Tal grao de barbarie engrandece a figura de Morales, un cocaleiro sen estudos, convertido nun xigante, pero parecese algo a Salvador Allende, a pesar de ter a vida salva.
Ao diplomático estadounidense Philip Goldberg destinárono para Belgrado no comezo da guerra civil. Máis tarde foi para Bosina, no 94, antes do conflito, como asistente especial do embaixador Richard Holdbrooke, un dos enxeñeiros da desintegración iugoslava. En 2004 volveu á capital de Kosovo, algo antes da separación de Serbia e Montenegro.En 2008 era embaixador en Bolivia, cando Evo Morales o expulsou do país. Auspiciaba movementos independentistas desde a omnipotente embaixada, para romper o estado, ao non ver outra maneira de acabar co movemento socialista, arribado ao poder cunha maioría de votos abraiante. A súa estratexia consistía en inflamar os territorios da chamada Media Luna, os orientais, os máis ricos, de dominio racial branco, onde se concentra a maior parte da riqueza. Goldberg reuníase cos seus gobernadores, que controlaban tamén aos grupos da extrema dereita, de ascendencia ideolóxica fascista e nazi. Houbo emigración desde Alemaña, tamén despois de 1945.Bolivia parecíase moito á vella Sudáfrica. Nos anos cincuenta do século vinte os escravos estaban en venda e chamábanlles pongos. Un pongo é un orangutánBolivia parecíase moito á vella Sudáfrica. Nos anos cincuenta do século vinte os escravos estaban en venda e chamábanlles pongos. Un pongo é un orangután. O tráfico foi legalmente prohibido en 1952, mais continuou o comercio. Os indios non tiveron dereito a voto até 1951. Nin tampouco a andar polos paseos, polas beirarrúas. En 2005, cando Evo chega ao goberno, seguía habendo escravos en facendas da zona oriental.Até ese ano 2005 e desde sempre, a embaixada de EEUU posuía a prebenda de nomear os ministros de Defensa e de Goberno. Era unha tradición coñecida por todos os bolivianos, case aprendida nos libros de texto; formaba parte da idiosincrasia do semiestado boliviano. E loxicamente, os 189 golpes de estado que se produciron desde a independencia (se descontamos o período de Morales sae a máis de un por ano) tiñan que estar, como mínimo, consentidos pola embaixada, posto que a continuación se cumpría sempre coa antedita tradición de o gringo nomear os dous ministros decisivos.Cento oitenta e nove golpes ou cento oitenta e oito, aínda non sabemos. Depende do que nos diga El País, que está desfollando delicadamente a margarida do último. O xornal acredor de Patricia Botín mantén a dúbida: Sería? Ou non sería? Ou sería rozadura? Faltando o perfumado veredicto, manteñámonos na indecisión. Esta vez, en troca de saír o exército, como sempre, asolaron as rúas os grupos fascistas, arrasando casas, locais opositores, torturando, violando e producindo algunhas mortes, instaurando o terror, mentres as forzas do estado ficaban acuarteladas. Esa é a novidade, a reformulación, o exquisito matiz, o novo estilo do golpe de estado, por se no futuro se estuda nas facultades de ciencias políticas e nas academias militares.Pero nótaselle prudente a El País e abraiado co macho Camacho. Repsol parece que estaba contenta cos negocios alí, igual que o goberno boliviano tamén o estaba con Repsol. Á banca debe irlle tamén ben.Ademais Josep Borrell quere formular unha política exterior europea independente da estadounidense, incluíndo América Latina. A embaixada de EEUU en Madrid, igual que as doutras capitais de Europa, causaran moita irritación o ano pasado, cando lles impuxeron aos estados respectivos o recoñecemento de Juan Guaidó, facéndolles seguir a política golpista de Trump con Venenzuela. Borrell era o ministro de exteriores. Esa circunstancia incide para reformular o cambio de política. Xa veremos nos próximos días.É difícil chamarlle a Morales ditador, antidemocrático, populista, extremista e menos aínda violento. Toda a acusación posíbel é a de manobrar para repetir como presidente, pero a súa lexitimidade en Bolivia, o apoio que segue a recibir é infinitamente superior á de calquera mandatario occidental, aproximándose á metade dos votos nas últimas eleccións. E ese respaldo débese ás razóns seguintes:Entre 2005 e 2019, en que dura o seu mandato, o PIB medrou o 327%, que se di pronto. Grazas á nacionalización do gas. Segundo o FMI en 2018 foi a economía de América Latina que máis medrou, ao 3,9%. Ten unhas reservas internacionais de 53.000 millóns de dólares, superiores ao propio PIB; por tanto non ten déficit e por tanto é difícil dicir que fai unha xestión económica populista. O ingreso anual per cápita pasou de 1.120 dólares a 3.130. A débeda externa de 52% para 24%. A pobreza extrema de 38 para 17. O desemprego de 8 para 4. O 62% da poboación ten arestora ingresos medios. Segundo a OMS aumentou o gasto sanitario en 173% até o 2014, con mil novos establecementos de saúde e 34 hospitais de segundo nivel. A esperanza de vida subiu de 64 para 71 anos; o salario mínimo de 440 bolivianos para 2.060.Con todas as eleccións gañadas limpamente e con este nivel de desenvolvemento, e ademais dimitindo para evitar que a violencia se apropiase do país, e chamando a que non se recorra a ela, non se pode cualificar de ditador ou populista ao presidente nin a ninguén sen perder os papeis e tamén as tintas das edicións.Era o aliado incondicional de Venezuela na rexión, si, pero tamén un pragmático, que negociou coas multinacionais extractivas, un asistente á toma de posesión de Bolsonaro e un líder que se realista (os datos da economía así o indican) en proceso de aproximación intensa aos novos líderes da esquerda de América Latina, AMLO, Fernández e outra vez Lula, moito máis moderados que os da anterior onda, os Kirchner, Correa e outros. Que pasou nas últimas eleccións?Para saír elixido na primeira volta cómpre obter máis da metade dos votos, ou superar o corenta por cento cunha avantaxe de dez puntos porcentuais sobre o segundo. Carlos Mesa, o líder da oposición dereitista, calculaba que era posíbel ir á segunda volta; nese caso sería el o que conseguiría que as demais candidaturas o apoiasen, asegurando a súa elección. A embaixada e a dereita calcularon que por primeira vez non vencería con facilidade o MAS e aí se abriu a fenda. Cómpre saber que a Unión Civil Cruceñista e o macho Camacho, fascistas da Media Luna, xa dixeran durante a campaña electoral que non recoñecería en ningún caso a vitoria de Morales, se el gañar. Ao longo da campaña hostilizaron violentamente a xente do MAS.E Carlos Mesa advertiu, tamén antes da elección, que se non gañaban sería porque habería pucheirazo. Calculaba que a diferenza sería mínima, e comezou así a presión para expulsar o presidente. Efectivamente, a diferenza era mínima e cambiou de tendencia, dándolle a vitoria ao MAS, cando chegaron os resultados das zonas máis pobres, menos desenvoltas e con maior dificultade para o reconto, cuxo apoio a Morales é moi maioritario, igual que o emigrante, loxicamente tamén de reconto máis tardío. Pero xa non era o reconto, senón ter creado o estado de opinión sobre a necesidade de que o "ditador" desaparecese, de que o cambio se tiña que producir, de que sobraba o "indio".Axitan as rúas, falan de fraude, con tal violencia que acaban recorrendo á Organización de Estados Americanos. As demais instancias supranacionais de América Latina, Unasur e outras foron esencialmente desmontadas polos novos gobernos de obediencia norteamericana, Brasil, Ecuador e outros. A OEA é unha organización con sede en Washington, sostida economicamente polos EEUU, ao seu servizo desde sempre, encargada de velar pola dependencia do sur americano.Cando a OEA afirma que se deben repetir eleccións e Morales acepta, o macho Camacho, como lle chaman, eríxese en líder moral, así din, sen ser representante legal de nada, nin ter cargo electivo, sen preocupación ningunha por esas cuestións, pois el pretende instaurar de novo a cruz e a supremacía branca. Un animal que entra para o palacio de goberno cunha biblia na man, axeonllándose, lembrando a imaxe de Colón cando pousa por primeira vez a súa rótula na nova terra conquistada. Diríxese directamente a Deus e dille que volva para a casa de goberno, porque foi sacado de alí polo presidente indíxena.Tal grao de barbarie engrandece a figura de Morales, un cocaleiro sen estudos, convertido nun xigante, pero parecese algo a Salvador Allende, a pesar de ter a vida salvaTal grao de barbarie engrandece a figura de Morales, un cocaleiro sen estudos, convertido nun xigante, pero parecese algo a Salvador Allende, a pesar de ter a vida salva. E parécese porque se produce un retroceso cara os vellos métodos, o do golpe de estado puro e duro, ao non daren resultado os outros mecanismos ensaiados nestes anos, especialmente o law fare.Cando estalou a revolta de Ecuador contra as durísimas medidas económicas de Lenin Moreno e despois a de Chile, cando trunfou Fernández na Arxentina e ficou Lula en liberdade, todo en tan poucos días, véuseme á cabeza a Primavera Árabe, que comezara tamén cun grande impulso libertario e rematou con tantas traxedias, ao activar medidas as embaixadas correspondentes e os servizos de intelixencia, naquel caso non só estadounidenses, aínda que sobre todo.Silvio Rodríguez di que Evo é moi semellante ao pintor Guayasamín, porque ao mirar para calquera dos dous, os ollos abísmanse nas entrañas de América. Tan conectados están co telúrico americano.Oswaldo Guayasamín, inmenso, recoñecido universalmente, pero mal coñecido por aquí e quizás conscientemente esquecido, ten unha exposición estes días na sede se A Fundación en Lugo e moitas obras no Museo do Gravado de Ribeira.*Oswaldo Guayasamín 1919-1999. Dúas series. Dous aniversarios. Sede Afundación. Praza Maior.Lugo. Do 26 de setembro ao 11 de xaneiro de 2020.
NOS_17047
Primeiro e segundo chocan a dúas xornadas do final
O Club Ourense Baloncesto disputa hoxe (19 horas, Pazo dos Deportes Paco Paz) unha final anticipada cando quedan só dous partidos para o remate da fase regular da LEB Prata, a terceira categoría a nivel estatal. Segundo clasificado, a escuadra ourensá recibe Grupo Alega Cantabria, líder, con quen está empatado a 17 triunfos logo de que a pasada fin de semana os galegos gañasen e os cántabros perdesen contra prognóstico ante Aquimisa Carbajosa Empresarial, antepenúltimo clasificado. O técnico do COB, Guillermo Arenas, analizou este complicado escenario antes do feche da liga regular na rolda de prensa previa ao partido, e comezou laiándose dos poucos adestramentos que tivo para preparar o partido: "Só dous días nada máis, pero é o que toca cando xogas entre semana. Tentaremos meter cousas, algunhas ideas, pero tendo en conta que cando non tes demasiado tempo é preferíbel meter poucas ideas , pero que queden claras". Coas dúbidas de Brano e Darius, pero motivados tras a recente vitoria en Marbella, Arenas considera que, mentalmente, foi positivo "sacar adiante o partido sen dous xogadores que achegan moitos puntos". "Demostrouse que somos un equipo que loita e que, aínda que teñamos baixas, competimos e gañamos os partidos. Isto tennos que axudar, porque, para hoxe, temos que ver como evolucionaron as molestias dos dous e debemos demostrar de novo que somos un conxunto que se sobrepón aos problemas", engadiu. Sobre o partido de hoxe, o preparador da formación da cidade das Burgas considerou que o publico asistirá a "unha batalla" na que os seus homes terán "que pelexar". "Ambos os equipos queremos levar a loita ao noso lado, porque eles teñen interiores máis versátiles, e aí será onde nós teremos máis dificultades", concluíu Guillermo Arenas.
NOS_34962
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García (BNG), anunciou que a veciñanz non terá que pagar os tratamentos de enfermidades crónicas que o PP somete a re-pagamento. Asemade, acusa a Xunta de "ser cómplice" por non se opor a esta medida.
Este concello da comarca de Ferrolterra sumouse este sábado (19 de outubro) á listaxe de administracións locais que financiarán @s doentes crónic@s os tratamentos sobre os que o Goberno español aplicou o re-pagamento. Segundo o seu alcalde, o nacionalista Secundino García Casal, "ningún veciño ou veciña quedará sen medicamentos por non os poder pagar". Para o rexedor de San Sadurniño, "non pode haber quen se considere persoa" e dea por boas "decisións que condenan directamente á morte a homes e mulleres" enferm@s de cancro ou leucemia "polo simple feito de carecer de diñeiro". Neste senso, o Concello asumirá o pagamento dese "10% até un máximo de 4,20 euros" fixado no decreto que aprobou o exectivo de Mariano Rajoy, "independentemente da renda" d@s veciñ@s e do custe total do tratamento. Porén, explicou Secundino García, "agardamos que a presión social obrigue ao PP a paralizar esta decisión". A decisión, que será debatida no pleno municipal que a corporación desenvolverá o vindeiro 9 de novembro, visa "gobernar priorizando na xestión dos fondos públicos a defensa dun sistema sanitario público e gratuíto". Así, o alcalde de San Sadurniño denunciou que a Xunta sexa "cómplice" desta medida ao se negar a non aplicala. Asemade, lanzou un chamamento aos demais concellos da comarca a que participen activamente na asemblea nacional convocada polo alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, e que terá lugar a vindeira semana.
PRAZA_9364
A nova proposta da Xerencia, que inclúe aumentar o persoal do servizo, foi aceptada con 48 votos a prol, 48 en contra e 3 en branco. Esta posible fin das mobilizacións non vincula, cando menos de momento, ao sindicato médico O'Mega, que cre necesario máis persoal e garantías de que os doentes non se acumularán nos corredores
Cen votos a prol, 48 votos en contra e 3 en branco cunha participación do 74%. É o resultado da votación do persoal de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago (CHUS) sobre a última proposta da Xerencia para mellorar este servizo e poñer fin á folga. Tres meses despois do inicio das protestas, sobre as que rexeron servizos mínimos do 100%, a maioría do persoal mobilizado considerou adecuada a nova oferta do Sergas para paliar a falta de medios que viñan denunciando.A nova proposta da Xerencia, que inclúe aumentar o persoal do servizo, foi aceptada con 48 votos a prol, 48 en contra e 3 en brancoUnha xuntanza cos responsables da Xerencia a comezos da vindeira semana, explica o comité de folga, será o último paso para "asinar a acta final da negociación". Finalizará así parcialmente o conflito no hospital compostelán con logros por parte do persoal como un incremento do persoal de Enfermaría -11 persoas máis-, do persoal auxiliar nestes labores -11 máis- e a estabilización dous postos de persoal médico ata agora interinos. Tamén máis medios en épocas de máis demanda asistencial, como os picos da gripe, respondendo á demanda de abrir unha das salas de Observación para contribuír a desconxestionar o servizo.Cubrir o 100% das ausencias de persoal traballar cos profesionais para mellorar a organización da asistencia foron outros dos compromisos arrincados durante un conflito que xa estivera a piques de rematar nos primeiros días de febreiro e durante o que o persoal desenvolveu múltiples accións para compensar os devanditos servizos mínimos do 100%. Así, ás concentracións no propio hospital engadíronse peches ou unha concorrida manifestación no centro da capital galega na que reiteraron que as súas esixencias non eran económicas, senón de máis medios.Esta posible fin das mobilizacións non vincula, cando menos de momento, ao sindicato médico O'MegaA aceptación da nova oferta evidenciada na votación deste venres non vincula ao sindicato médico O'Mega, que vén advertindo da, ao seu xuízo, insuficiencia das ofertas do Sergas para incrementar o cadro de persoal, así como para solucionar a acumulación de pacientes nos corredores en momentos de colapso. Os doentes, advirten, "non poden, de ningún xeito, estar a deteriorarse nos corredores". Neste sentido, esta mesma semana persoal médico das Urxencias do Clínico compostelán decidiu pedir amparo xudicial ante "un novo colapso". Con este traslado á Xustiza, explicou a delegada de prevención, a doutora Fátima Nercellas, a súa intención é que "o Sergas tome as medidas inmediatas para que os pacientes de Urxencias poidan ser atendidos debidamente e os médicos poidan prestar servizos nas debidas condicións". "Nun corredor non podemos prestar asistencia axeitadamente", evidenciaba.
NOS_37423
A firma australiana faise coa mina de San Finx, fiscalizada por Bruxelas pola xestión dos fondos europeos en dous proxectos levados a cabo polo CSIC.
Rafaella Resources vén de facerse coa titularidade de Tungsten San Finx, a firma que explota a mina homónima no concello de Lousame, até o de agora en mans da construtora española Sacyr. Con esta adquisición, a compañía australiana faise forte na Galiza, onde xa opera a mina de Varilongo, en Santa Comba, á que devolveu a actividade despois de 36 anos parada. A compañía calcula que obterá desta explotación ─que podería ver ampliada a súa área coa petición de novos permisos─ uns ingresos de 117 millóns de dólares (uns 103 millóns de euros) e un beneficio antes de impostos e amortizacións de 47,4 millóns de dólares (42 millóns de euros) no próximo lustro. A estes hai que sumar agora os da mina de San Finx, coa que Rafaella Resources aspira a converterse nun "provedor líder de volframio na Europa Occidental", en palabras do seu director xeral, Steven Turner. Parte deses beneficios irían a parar a paraísos fiscais, xa que, como denuncian desde Ecoloxistas en Acción, as dúas empresas australianas que anunciaron a adquisición, Rafaella Resources e a súa filial Biscay Minerals, están controladas por Starboard Global Ltd, un conglomerado estabelecido nas Illas Virxes Británicas con oficinas en Hong Kong, "en ambos os casos paraísos fiscais con lexislación mercantil que impide a transparencia", apuntan desde o colectivo ecoloxista. Esta circunstancia failles temer que, con esta manobra de compravenda, Sacyr pretenda eludir as súas responsabilidades medioambientais, agora que se está a tramitar un proxecto de retirada de vertidos e outro de residuos mineiros nas presas abandonadas de San Finx que porían en risco a calidade das augas na ría de Muros e Noia. "As consecuencias multimillonarias de implicar o fechamento de bancos marisqueiros sería o peor pesadelo de Sacyr, que agora se quere desfacer do problema", indican desde Ecoloxistas en Acción. As présas do CSIC O pasado mes de decembro, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) deu por finalizados dous proxectos que tiña en marcha no xacemento financiados con cargo a fondos europeos, denominados iTarg3 e Next, que tiñan como beneficiaria a mercantil Valoriza Minería SL, matriz da concesionaria da mina de San Finx. Sobre estes estudos pedira explicacións no Congreso o pasado mes de setembro o deputado do BNG, Néstor Rego. En concreto, sobre a suposta vertedura sen autorización de máis de 50.000 litros á hora de drenaxes de mina "con elevadas concentracións de metais pesados sen tratamento algún" dentro do proxecto Next. Ademais, Rego tamén preguntou ao Goberno español sobre "o posíbel uso fraudulento de fondos europeos" nas actividades levadas a cabo na mina, que non se someteron ao procedemento de avaliación de impacto ambiental requirido pola lei. Esta "dura" pregunta, así cualificada polo prestixioso semanario finés Suomen Kuvalehti nunha información sobre a mina, foi trasladada a modo de denuncia por colectivos ecoloxistas á Comisión de Peticións da Eurocámara. A petición está agora pendente de que se lle dea traslado á Comisión de Medio Ambiente do Parlamento Europeo.
NOS_6939
Coa saída do Reino Unido e un Macron debilitado tras as recentes eleccións locais, a UE vive o seu momento máis alemán. Serao aínda máis a partir desta cuarta feira, cando Alemaña asuma a Presidencia do Consello da UE, a institución comunitaria máis poderosa. Como xestione a crise económica pos-COVID será o canto do cisne de Merkel.
"Unha cousa teño clara: Europa pode emerxer máis forte desta crise do que entrou. Se queremos facer realidade esta aspiración, debemos na miña opinión guiarnos por un leitmotiv: a cohesión e a solidariedade europeas". Nun discurso pronunciado a finais de maio na Fundación Konrad Adenauer, en Berlín, a primeira ministra alemá, Angela Merkel, daba pistas dos pasos a seguir durante os seis meses de Presidencia do Consello da Unión Europea que comezan esta cuarta feira. Alemaña releva a Croacia e cederá o mando a Portugal o vindeiro 1 de xaneiro. Non é a primeira vez que a chanceler alemá fai un compromiso público coa "cohesión" e a "solidariedade" entre Estados membros da UE. O máis firme produciuse o pasado 18 de maio cando xunto co presidente de Francia, Emmanuel Macron, propuxo a posta en marcha dun fondo de recuperación da economía de 500.000 millóns de euros a través de subvencións non reembolsábeis. "O obxectivo é que Europa saia desta crise fortalecida, cohesionada e solidaria", asegurou Merkel daquela. A proposta franco-alemá tivo unha contraproposta por parte dos 'catro frugais' (Austria, Dinamarca, Países Baixos e Suecia) que demandan que se devolva o máximo posíbel da cantidade destinada ao fondo de recuperación e que vaia acompañado de reformas estruturais. O 27 de maio, a Comisión Europea ─que preside Ursula von der Layen, ex ministra de Merkel─ fixo a súa: un total de 750.000 millóns de euros cun modelo mixto de subvencións a fondo perdido (dous terzos) e de préstamos a devolver (un terzo). Lonxe semella quedar a proposta de Italia de emisión de débeda comunitaria, os "coronabonos", como ─defende─ a mellor solución para conseguir financiamento. Liñas mestras O vindeiro 17 de xullo, o Consello Europeo deberá desatar este nó gordiano do que depende o futuro dunha UE onde o escepticismo cara ás institucións comunitarias medra entre a cidadanía. Angela Merkel podería ser quen o acabe cortando. O 18 de xuño, a primeira ministra alemá compareceu no Bundestag para presentar as liñas da Presidencia da Unión para estes seis meses. Pasarán pola responsabilidade de Europa como actor global ─coas relacións cos Estados Unidos, coa China e con África como principais obxectivos─, e pola transición ecolóxica e dixital, en concordancia coa aposta da Comisión Von der Layen. Mais a recuperación da UE pos-COVID 19 e o perigo de que a crise faga maior a fenda intraeuropea centraron gran parte do discurso dela. "A pandemia afectou a todos, mais non a todos por igual. As consecuencias médicas e económicas da crise afondan nas desigualdades na comunidade europea", sinalou, e engadiu: "A pandemia móstranos que a nosa Europa é vulnerábel. Por iso digo con total convicción: a cohesión e a solidariedade nunca foron tan importantes en Europa como o son hoxe". "Ningún país pode sobrevivir a esta crise de forma illada e soa. Só se pode superar se actuamos xuntos. O noso obxectivo común agora debe ser abordar a crise de maneira colectiva, sustentábel e con vistas ao futuro, e ese será o principio reitor da nosa Presidencia do Consello da UE", manifestou Merkel. A Comisión Europea comprometeuse por escrito o 7 de maio a que o Fondo de Recuperación non precederá as visitas dos "homes de negro" (equipos de inspección do desenvolvemento de reformas obrigatorias). Porén, dunha ou outra maneira, haberá condicionantes, estabelecidos no marco de gobernanza económica da UE (como o Semestre Europeo), en base ao Pacto de Estabilidade e Crecemento e aos compromisos previos á crise do coronavirus. Alemaña, que tradicionalmente se aliñaba cos países máis estritos co gasto, pode ser quen acabe decidindo o pulso cohesión vs. frugais. A gravidade da crise, a fenda intracomunitaria e a súa retirada da política cando a mediados de 2021 remate a lexislatura ─así como compartir Goberno co Partido Socialdemócrata─ explican o xiro de 180º de Angela Merkel. O futuro da UE ─e do benestar da súa cidadanía nos vindeiros anos─ están, para ben ou para mal, nas mans dela. O Consello da UE, unha cámara lexislativa de representación territorial dos Estados Alemaña asume esta cuarta feira a Presidencia do Consello da UE, unha das principais institucións comunitarias e quizais a que maior poder teña xa que todos os Estados están representados e votan sobre todos os temas, divididos en dez formacións segundo os temas a tratar. É unha das tres que conforman o "triángulo institucional" da UE e equivalería ao Senado dun Estado federal. As outras dúas son o Parlamento Europeo, que faría o papel dunha Cámara baixa como o Congreso, e a Comisión Europea, que é o Goberno. O Consello da UE e o Parlamento Europeo son colexisladores, mentres que a Comisión exerce poderes executivos. Fóra deste triángulo está o Consello Europeo, a reunión de xefes de Estado e de Goberno que, como un líder espiritual, marca os camiños da UE con orientacións políticas.
NOS_24276
O Ministerio de Agricultura trasladou a súa proposta de 'ecoesquemas' e axuda básica á renda, ambas dentro da PAC. Desde Medio Rural piden "marxe" para negociar e o SLG denuncia "falta de transparencia" neste proceso.
A reunión telemática entre o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, e responsábeis das comunidades autónomas para tratar o Plan Estratéxico para a aplicación da Política Agraria Común (PAC) tiña esta quinta feira como principal asunto sen resolver os denominados 'ecoesquemas', un novo elemento introducido pola Comisión Europea que consiste na remuneración de prácticas consideradas beneficiosas para o medio ambiente que se realicen máis aló da condicionalidade exixida para ter dereito á cobranza de axudas. Sobre os outros apartados o ministro recoñecía que "o groso dos asuntos está xa pechado". Planas trasladou unha proposta de ecoesquemas con sete prácticas remunerábeis. Para terras de cultivo pódese optar pola rotación, a agricultura de conservación e semente directa, ou reservar superficies non produtivas e elementos de paisaxe. Esta reserva de superficies non produtivas tamén é unha opción para os cultivos permanentes, nos que se contempla tamén o mantemento de cubertas vexetais espontáneas, sementadas ou inertes, deixando os restos triturados de poda no chan. O importe por hectárea para cada superficie será o mesmo, sen intervir a práctica que se escolla. No pago sobre cada hectárea só poderá computar unha práctica. Sobre a axuda básica á renda, o 60 % do orzamento das axudas directas, estabelécese un modelo simplificado con respecto ao actual, ao pasar de 50 a 20 rexións. Medio Rural quere continuar negociando O conselleiro do Medio Rural, José González, ao remate da reunión, indicou que solicitou ao Ministerio continuar coas negociacións para adecuar a nova PAC "ás especificidades da España húmida". A través dun comunicado insistiu en "buscar simplificar a execución dos ecoesquemas" e que atendan a aspectos "como os vinculados ás explotacións de vacún de leite". Así, en relación co ecoesquema sobre pastoreo extensivo, González pediu "aumentar a carga gandeira mínima e a máxima, ademais de computar toda a superficie forraxeira da explotación". O Conselleiro salientou do acordo a porcentaxe de asignación da reserva nacional, un 3% para 2023 máis o 1% para 2024, un mecanismo que, di, "permitirá incorporar novas superficies con dereito a cobro". Falta de transparencia da negociación "Non houbo novidades", asegurou a Nós Diario Ana Rodríguez, do Sindicato Labrego Galego (SLG) valorando a reunión, "só a ampliación en dous meses do prazo para presentar o Plan", engade. Cre que "se hai negociación nin a trasladan nin é pública". A sindicalista desminte o anuncio de Medio Rural de que entrarán máis hectáreas na negociación, "cando un documento do Ministerio afirma que entrarían se hai dereitos na reserva nacional". Para o SLG "non valen as escusas da Consellaría de que este Ministerio abandonou a Cornixa posto que Euskadi e Cantabria conseguiron cousas que nós, a día de hoxe, non conseguimos".
NOS_456
Persisten as queixas do colectivo de viaxeiros ante a falta de frecuencias e de condicións suficientes para poder cumprir coas medidas de seguridade que exixe a pandemia.
Cumprir coas medidas de seguridade básicas que marca a prevención contra o novo coronavirus é cada día máis difícil para as persoas que usan a diario o transporte público de viaxeiros. Desde o primeiro de xullo, con Galiza instalada xa na nova normalidade após a primeira vaga da pandemia, trens e autobuses restabeleceron o seu servizo de venda para ofrecer ao colectivo de usuarias a totalidade dos asentos dispoñíbeis. Desde entón, despois dun período de restricións que impuxo o uso obrigatorio de máscara e xel hidroalcólico, a distancia de seguridade de dous metros nos accesos e nas saídas e que mesmo chegou a limitar a capacidade máxima dos vehículos, entre outras medidas, operan de novo ao 100% da súa cabida. E fano entre as queixas reiteradas das usuarias que ven como se endurecen as medidas de prevención en todos os ámbitos salvo no transporte público. Os trens, sen frecuencias Os recortes nos trens pola pandemia seguen a ser motivo de protesta, máis cando a falta de frecuencias limita e mesmo impide traslados laborais ou por estudos, e consegue que as viaxeiras compartan vagóns sen distancia de seguridade ningunha. "A verdade é que é imposíbel manter os dous metros de distancia interpersoal que se recomendan", asegura a Nós Diario persoal de Renfe. "Mentres nas estacións manteñen asentos bloqueados e coidan a limpeza despois de cada uso, nos trens están todos dispoñíbeis. E hainos que se duplican durante o traxecto. Algúns poden chegar a ter dous, tres e incluso catro ocupantes durante a mesma viaxe, denuncian. Nestas condicións, defenden , que o transporte público é "un foco potencial de contaxios" onde persoal de risco se ve exposto a ducias de viaxeiros, ao intercambio de cartos e de documentos persoais que poden chegar a comprometer a súa saúde. "Hai asentos que se duplican durante o traxecto. Algúns poden chegar a ter dous, tres e incluso catro ocupantes durante a mesma viaxe". Segundo Juan Francisco Sánchez Losada, coordinador do sector do ferrocarril do sindicato maioritario CXT, na actualidade circula 60% dos trens que o facían antes da pandemia. "E suprimiron algunhas das liñas que máis demanda teñen, os trens de primeira hora que comunican Ourense, Santiago e A Coruña ou Vigo, Pontevedra e Santiago. Con todo, as localidades máis afectadas son as do rural", asevera. A escaseza de frecuencias lastra a demanda, principal escusa de Renfe para ignorar as solicitudes das viaxeiras. Piden intensificar a oferta de servizos nas franxas horarias de maior demanda, non só para chegar ao seu destino, senón para facelo de forma segura e sen masificacións. "Nestes meses Renfe modificou o ritmo de venda a petición da CXT. O sistema que empregaba provocaba unha ocupación desigual dos vagóns, contraria ás recomendacións sanitarias. Podía ir un lado ateigado e outro completamente baleiro", sinala o responsábel do sector ferrocarril do sindicato. Agora, sempre que a demanda o permite, o despacho de billetes trata de ofrecer un de cada dous asentos. Mais hai viaxes nas que é imposíbel. Os domingos e as sextas feiras os estudantes ateigan as liñas e non reforzan as circulacións", di Sánchez Losada, quen denuncia as graves carencias das liñas de proximidade e media distancia en favor da alta velocidade. O transporte urbano, atestado cara aos campus e os hospitais A imposibilidade de cumprir coas medidas de protección fronte ao coronavirus tamén ten moi enfadadas as usuarias do transporte urbano. É o caso das universitarias de Vigo, que un día tras doutro denuncian nas redes sociais a realidade dentro dos vehículos nos que acceden ao campus. Non entenden que só poidan reunirse cun máximo de cinco persoas ou co seu grupo de conviventes pero que nada impida compartir autobús con descoñecidos dos que non teñen forma de afastarse. Botan en falta frecuencias, ventilación e medidas de hixiene que garantan un mellor coidado da saúde, tamén en liñas de alta ocupación, como as que comunican co hospital. O transporte de viaxeiros por estrada tamén opera ao 100% da súa capacidade desde xullo. e con carácter xeral, cunha ocupación de 40%, di Carlos García Cumplido, presidente da federación galega.
NOS_46752
Representantes da póla esquerda do Partido Demócrata reclaman a Joe Biden que revogue a política na rexión de Donald Trump, considerando ilegais os asentamentos israelís.
Máis de 70 congresistas do Partido Demócrata dos Estados Unidos remitiron a cuarta feira unha carta a Joe Biden, presidente dos EUA, na que reclaman que o Goberno federal abandone o denominado plan de paz que impulsara durante a súa administración Donald Trump, segundo se fixo público esta sexta feira No texto, que foi publicado no xornal israelí Jerusalem Post, os representantes lexislativos demócratas piden ademais ao Executivo que encabeza Biden que declare como ilegais os asentamentos de Israel no territorio palestino ocupado. Inconsistente co Dereito Internacional Malia o devalo de territorio de Palestina desde os acordos de Oslo, hai máis dun cuarto de século, os congresistas piden volver "á tradicional política de Estados Unidos en apoio as dúas partes", polo que instan o presidente dos EUA a considerar "como inconsistente co Dereito Internacional" a continúa expansión de asentamentos fomentada por Israel para dividir e fragmentar o territorio que aínda ocupan as palestinas e palestinos, co obxectivo de impedir a formación dun Estado que as integre. Nesta liña, reclaman que desde os EUA se exprese unha "contundente oposición á expulsión forzada, a través do despexe, das familias palestinas", algo que alén da situación das familias que aínda resisten no barrio de Sheikh Jarrah de Xerusalén, salienta a carta que afecta ao "territorio palestino na súa totalidade". Outra das reivindicacións feitas na misiva e que desde o departamento de Estado se retome o costume de referirse a Gaza e Cisxordania como territorios ocupados, así como reabrir a oficina consular de Xerusalén destinada a atender as persoas de Palestina, e que foi fechada por decisión de Trump en 2019. Asemade, faise un chamamento a insistir na vía diplomática, xa que defenden que o conflito non ten solución militar. Caucus progresista A carta está asinada por integrantes do chamado caucus progresista, a pola esquerda do Partido Demócrata, e onde participa a nova onda de líderes que destacan no Congreso dos EUA, como Alexandria Ocasio-Cortez, Rashida Tlaib ou Ilhan Omar.
NOS_54127
Na véspera do Día da Galiza Mártir, o deputado de En Marea no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello vén de esixir ao Goberno español a anulación do consello de guerra a Alexandre Bóveda e "a súa rehabilitación de forma pública e política".
Para Fernán Vello, "a reposición da memoria histórica ten que ir máis alá de sacar a Franco do Val dos Caídos". Nesa liña, presentou unha serie de preguntas ao Executivo de Pedro Sánchez en que reclama a anulación do consello de guerra que levou ao fusilamento de Bóveda un 17 de agosto de hai 82 anos. "En cumprimento da Lei de Memoria Histórica", expón Fernán Vello, "o Goberno debe anular o consello de guerra e dar así conta das peticións do informe do Alto Comisionado da ONU para Promoción da Verdade, Xustiza, Reparación e Garantías de Non Repetición Pablo de Greiff". Este documento, realizado en 2014, pedía "a nulidade das sentenzas" ditadas polos fascistas e que esta nulidade "beneficie a todas as vítimas sen distinción". En Marea, remata o deputado por Lugo da coalición de esquerdas, "insta ao Goberno socialista a non só promulgar declaracións de reparación e recoñecemento persoal, como ten feito o PP, senón a tomar a iniciativa e declarar a nulidade de todas as sentenzas de morte promulgadas polo exército fascista".
NOS_55666
A mobilización formará parte da campaña do BNG 'Os prezos soben; os teus cartos baixan: fagámonos valer!'.
A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, presentou nesta segunda feira a campaña de mobilizacións que impulsará a formación para "reclamar solucións á crise de prezos", e que rematará cunha manifestación o vindeiro 3 de abril en Santiago de Compostela. Pontón fixo un chamamento á participación de todos os colectivos afectados e do conxunto da sociedade, co obxectivo de "reclamar con presión social nas rúas que se tomen medidas xa para evitar o colapso dos nosos sectores económicos". Neste sentido, a nacionalista cualificou de "impresentábel" que nin a Xunta nin o Goberno central estean poñendo sobre a mesa "solucións reais e eficaces, no curto e no medio prazo, para darlle oxíxeno a sectores estratéxicos da economía galega". "Esta crise está a provocar unha situación de extrema gravidade, con familias cada día máis empobrecidas, un goteo continuo de empresas que están paralizando a súa actividade e con sectores clave dentro da economía galega, como o agrogandeiro e o pesqueiro, nunha situación de colapso", advertiu, para recalcar a continuación que "urxe actuar para que esta escalada de prezos non siga poñendo en risco miles de empregos". Presión institucional do BNG Ademais desta campaña de mobilizacións, a portavoz nacional destacou a presión institucional que o BNG pretende levar tanto ao Congreso como ao Parlamento galego, onde converterá o pleno que comeza na terza feira nun "monográfico para poñer sobre a mesa alternativas fronte a esta crise económica" e no que tamén propuxo unha modificación da orde do día para que compareza con urxencia o presidente da Xunta e "deixe claro á Galiza se ten previsto adoptar algunha medida ou se vai seguir cruzado de brazos". Para Pontón, resulta "lamentábel" que Feixoo estea dedicado "única e exclusivamente a botar balóns fóra" e sexa "incapaz" de pór enriba da mesa unha soa medida para enfrontar unha crise que, segundo recalcou, "está a incidir dunha maneira máis forte na Galiza", aludindo así ao maior crecemento da inflación na Galiza en relación á media estatal. Neste sentido, afondou nas medidas a curto prazo que o BNG defenderá no pleno desta semana, entre as que sinalou a prohibición da venda a perdas no sector primario, tal e como recolle a lei de cadea alimentaria; a compra pública de pensos para garantir un abastecemento a prezos razoábeis; a fixación dun prezo máximo para a electricidade neste ámbito; e articulación de axudas extraordinarias ao sector pesqueiro e gandeiro, a través das axudas mínimas (de menos de 200.000 euros). Por último, defendeu a rebaixa temporal dos impostos aos carburantes, distinguindo entre consumo doméstico e profesional; a redución das peaxes en todas as autoestradas galegas; a actuación inmediata sobre o mercado enerxético "poñendo fin aos beneficios caídos do ceo"; e a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega para compensar a Galiza por ser produtora de electricidade.
PRAZA_5790
Ven isto a conto dos resultados de Podemos nas eleccións europeas estaren suscitando reaccións semellantes ao éxito de AGE nas galegas. Por unha banda descualificacións e manipulacións, como equiparar a forzas de esquerda, defensoras da democracia, cos partidos xenófobos. Por outras asombro: Como pode a cidadanía confiar nestes partidos "recén chegados"?
Preguntada que faría na xornada de reflexión, Lidia Senra contestou que, como todos os sábados, estaría vendendo no seu posto do Mercado da Praza de Lugo n'A Coruña, actividade ben distinta das confesadas (e coincidentes) por Millán Mon ou Xosé Blanco. Pola súa banda, o día seguinte ás eleccións, Pablo Echenique, quinto deputado de Podemos, narraba no blog de eldiario.es De retrones y hombres as experiencias dun retrón –nome co que se autodenominan Pablo e Raúl Gay, autores do blog, no canto de "discapacitados" – en campaña, da constatación de que auditorios e teatros están preparados para que os retróns participen como espectadores, mais non como protagonistas sobre o escenario, ás dificultades para franquear os chanzos de acceso a unha radio ou televisión en cadeira de rodas. Ven isto a conto dos resultados de Podemos nas eleccións europeas estaren suscitando reaccións semellantes ao éxito de AGE nas galegas. Por unha banda descualificacións e manipulacións. Por outras asombro Ven isto a conto dos resultados de Podemos nas eleccións europeas estaren suscitando reaccións semellantes ao éxito de AGE nas galegas. Por unha banda descualificacións e manipulacións, como equiparar a forzas de esquerda, defensoras da democracia, cos partidos xenófobos. Por outras asombro: Como pode a cidadanía confiar nestes partidos "recén chegados"? Quen son entón estas cidadás, estes cidadáns que votaron (con ilusión) a Lidia ou a Pablo Echenique? Persoas que prefiren xente cos pés na terra Quen son entón estas cidadás, estes cidadáns que votaron (con ilusión) a Lidia ou a Pablo Echenique? Persoas que prefiren xente cos pés na terra, e nunca mellor dito que no caso de Lidia, a alguén que coñeza o día a día da crise, que traballasen en actividades distintas ao aparato dun partido; a diferenza de Elena Valenciano, Xosé Blanco ou Fátima Báñez. Persoas que desexan dar voz a quen non están representados, mulleres –unicamente o 35% do parlamento europeo en 2009, porcentaxe similar á do galego e o español –, retróns e "retroas" –dous no parlamento europeo –, dirixentes da Vía Campesina, como Lidia Senra e José Bové. Pois non é unicamente que aumente a representación de mulleres, senón que haxa máis feministas, máis discapacitados rebeldes, máis labregas e labregos defensores do dereito á terra e preocupados polo destino da Terra. Eses votos significan, por exemplo, que moitas persoas non comungan coas rodas de muíño da "transición", que comparten a indignación dos indignados do 15M, que queren ter representantes políticos que planten cara aos homes de negro Eses votos significan, por exemplo, que moitas persoas non comungan coas rodas de muíño da "transición", que comparten a indignación dos indignados do 15M, que queren ter representantes políticos que planten cara aos homes de negro que pretenden gobernarnos sen seren escollidos. Pois o capital dos nosos tempos, ese vampiro que describía Karl Marx como "traballo morto que só se reanima, ao xeito dun vampiro, ao zugar traballo vivo" agóchase nas criptas de entidades opacas, agardando que outros executen as súas ordes. Porén, para derrotalo non virá Van Helsing, non hai allos, nin balas de prata, correspóndenos a nós. E en primeiro lugar cómpre a convicción de que a mudanza é posible, pois ademais dos pés na terra debemos ter, como diría Agustín Fernández Paz, os pés no aire.
QUEPASA_372
Continuamos da man "Asociación Parroquial de Berdoias" e o Seminario de Estudos Comarcais (SEMESCOM), recuperando o rico e variado patrimonio que atesouran os lugares da parroquia vimiancesa de Berdoias. Hoxe seguimos falando de cabazos.
MOSTRA DO PATRIMONIO MATERIAL DA PARROQUIA DE BERDOIAS (XIII)CONSTRUCIÓNS DE ALMACENAMENTO DO GRAN:CABAZOS VELLOS, CABAZOS NOVOS. CABAZOS PEQUENOS, CABAZOS LONGOS… Entre os estudosos hai coincidencia xeral en subliñar a harmonía dos cabazos coa paisaxe. Mesmo, Xosé María Lema ten manifestado que: "A simple presenza dun cabazo fainos recoñecer unha paisaxe rural galega". E tal acontece cando recorremos a parroquia de Berdoias, un territorio de case 100 cabazos. Calquera camiñante ten a oportunidade de apreciar a presencia e a compaña destas arquitecturas denominadas atlánticas ou de arco fisterrán, de diferentes idades: máis novas ou máis vellas; de diferentes formas e solucións construtivas, con predominio da variedade soneira; de emprazamentos: cabazos a rentes do chan,ou sobre repisas…; de variadas dimensións: desde os máis pequenos con tres parellas de pés, ata os máis longos de dez – aínda que máis do 50 % dos cabazos da parroquia oscilan entre 5, 6 ou 7 parellas de pés. Velaquí exemplares de atlánticos ou de arco fisterrán: 1.- Vello cabazo en Grixoa, de oito pares de pés, da variedade de soneira rústica, cos seus pés curtos e grosos, pouco debastados, o mesmo que as súas capas convexas. Sen testas nas partes estreitas, ten unha cámara conformada por ringleiras de pedras irregulares, moi pouco labradas. En Grixoa, da variedade soneira rústica 2.- Pequeno e vello cabazo en Grixoa, da variedade soneira, cos tres pares de pés, grosos e moi curtos, directamente apoiados no chan. Cunha cámara hermética, cos ventos moi estreitos, e con pontes nos lados longos, esas laxes sobre as que se apoian ringleiras de doelas de diferentes tamaños, pero xa máis traballadas cás dos cabazos rústicos. Non ten pontes testeiras nas partes estreitas, unha caracteristica exclusiva desta variedade soneira. Non rematan con ornamentos. En Grixoa, da variedade soneira 3. Cabazos en Boallo e Romar, os máis longos da parroquia, de dez pares de pés. Son os dous da variedade soneira e nos que se poden apreciar diversas solucións construtivas. Cabazos en Boallo e Romar, os máis longos da parroquia 4. Dous cabazos novos en Berdoias, dos poucos exemplares de cantería que hai na parroquia. Son cabazos atlánticos, da denominada variedade carnota. Cos pés esveltos: troncocónicos, nun deles, e prismáticos, no outro. Capas en roda, nun , e troncocónicas, no outro.. Destacan polas súas cámaras de doelas ben puídas, de iguais dimensións, ben encaixadas entre elas, e con físgoas ou ventos perfectamente regulares. E, característico nesta variedade, rematan con ornamentos: unha cruz e un pináculo. Cabazos novos en Berdoias de cantería da variedade carnota TESOUROS DE BERDOIAS Tesouros de Berdoias (XII): Os 99 cabazos da parroquia (I). Tesouros de Berdoias (XI): Dous fornos na propia casa-vivenda. Tesouros de Berdoias (X): Fornos Grandes - Fornos Pequenos. Tesouros de Berdoias (IX): Os Fornos: Tesouros de Berdoias (VIII): Os Muíños. Tesouros da Parroquia de Berdoias (VII): Unha parroquia de 35 Eiras. Tesouros da Parroquia de Berdoias (VI): A Eira do Farruquiño no lugar de Boallo. Tesouros da Parroquia de Berdoias (V): A Eira do Carmelo. Tesouros da Parroquia de Berdoias (IV): A Eira do Buxán, en Santa Cristiña. Tesouros da Parroquia de Berdoias (III): A Eira de Rúa e a Eira da Gaia. Tesouros da Parroquia de Berdoias (II): A Eira do Sores, en Romar.. Tesouros da Parroquia de Berdoias (I): A Eira da Rata
PRAZA_16395
O presidente da Xunta mantense na súa postura contraria a apoiar os paros e remite a responsabilidade de facelo en Ourense ao "presidente da Deputación ou o grupo popular"
"Supoño que todas as críticas que verteron sobre o señor Baltar nos últimos meses deixarán de vertelas, algún avance pode haber". Así respondeu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este xoves ao ser preguntado que opinión ten de que o presidente da Deputación e dos populares de Ourense, José Manuel Baltar, apoie a folga feminista do 8 de marzo que o PP rexeita. O propio Feijóo vinculou así o apoio de Baltar á folga coas críticas que recibiu da oposición nos últimos meses a raíz do caso, xa arquivado, polo que estivo investigado por acoso sexual. O presidente da Xunta mantense na súa postura contraria a apoiar os paros e remite a responsabilidade de facelo en Ourense ao "presidente da Deputación ou o grupo popular" Como fixo este mércores no Parlamento de Galicia, Feijóo volveu amosar o seu "respecto" polo "dereito individual e voluntario" de secundar a folga, incidindo en que "individualmente cada un debe facer o que considere oportuno". O presidente galego volveu lembrar algunhas das medidas do seu Goberno en favor da conciliación e contra as "distorsións evidentes que se producen no ámbito laboral e social das mulleres" pero restou importancia á folga salientando que el mesmo está a disposición de calquera que teña constancia da ilegalidade de que unha muller estea a cobrar menos por desempeñar o mesmo traballo que un home. Sobre a decisión do PP de Ourense de apoiar de xeito expreso a folga, en contra do defendido polo resto da formación en toda España, Feijóo limitouse a constatar, minimizando a relevancia da protesta, que "hai un acordo entre os grupos da Deputación de apoiar que as persoas que o consideren oportuno poidan facer unha xornada que non sabemos se é un paro, unha folga ou un paro parcial". Foi cando se lle repreguntou se lle parece ben o apoio de Baltar a esa folga cando Feijóo respondeu que "é unha cuestión que lle corresponde ao presidente da deputación ou ao grupo popular na deputación" e ao resto dos grupos da oposición, dos que engadiu para rematar a súa intervención: "Supoño que todas as críticas que verteron sobre o señor Baltar nos últimos meses deixarán de vertelas, algún avance pode haber".
NOS_15847
Foi impulsada pola área de Xinecoloxía e Ostetricia e ten como obxectivo centralizar a atención médica das mulleres con esta doenza.
O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUOU) conta desde o 15 de marzo cunha consulta especializada para o tratamento de endometriose dirixida polo xefe de servizo de Xinecoloxía e Ostetricia, José Luís Doval. Xunto coa unidade de Vigo asumen o tratamento e seguemento das mulleres con endometriose porén, desde a asociación querENDO parabenizan a iniciativa mais denuncian que "o Sergas non actúa como enlace das distintas áreas sanitarias" o que impide a moitas doentes acceder a estas unidades especializadas. "O problema é que nas áreas onde non hai unidades non se crea relación con outras para que poidan ser derivadas as mulleres" O obxectivo do CHUOU é "centralizar" neste espazo as mulleres "que teñan endometriose complexa, profunda, mulleres mozas que van ser sometidas a cirurxía para valorar a conservación da capacidade reprodutiva" xunto con aquelas que xa pasaran por cirurxía "para facer o seu seguemento", sinala José Luís Doval, en declaracións recollidas por La Región. Para iso estabelecerase un "protocolo" que, no entanto, fica pendente de desenvolver nas áreas sanitarias do resto do país. "O problema é que nas áreas onde non hai unidades non se crea relación con outras para que poidan ser derivadas as mulleres", explica Iria Villar da asociación querENDO en conversa con Sermos Galiza. Aliás, "existe unha guía que se comprometeron [a Xunta] a distribuír" entre os puntos de atención primaria e especialistas mais que "non sabemos se o fixeron". De ser así, denuncia Iria Villar, "estamos no mesmo con diagnoses serodias". Acordo da Comisión de Sanidade Desde querENDO lembran que en abril de 2015 a Comisión de Sanidade foi aprobada unha proposición na que instan o goberno galego a se mover pola endometriose na que se acorda trasladar ao goberno galego a necesidade de "difundir a Guía de coidados" redactada polo Ministerio español de sanidade e asuntos sociais á fin de mellorar a atención sanitaria que reciben as doentes de endometriose e ás que, entre outras cuestións, se lles insta a aguantar a dor pola identificaren coa mestruación. "Queda moito por facer" afirman desde a asociación querENDO que reclama a creación dunha unidade multidisciplinar Así mesmo, defenderon a creación de grupos de traballo multidisciplinares para avaliar a posta en andamento dun plan de detección precoz da doenza; levar a cabo a creación de unidades de endometriose específicas nos hospitais públicos; e facilitar as derivacións incluíndo áreas sanitarias fóra de Galiza. Para isto é preciso o desenvolvemento de protocolos de actuación. A proposición incluía fomentar o coñecemento da enfermidade entre as mulleres particularmente entre as menores de 25 anos e promover a investigación nos Institutos de Investigación Sanitaria de Galiza. Porén, desde aquela non volveron a ter novas da súa aplicación. A creación da consulta de Ourense é "un paso adiante" mais como asociación desde querENDO entenden que "resta moito por facer".
PRAZA_12758
O conselleiro de Infraestruturas asegura que o Goberno galego "cumpre estritamente" resolucións xudiciais e non beneficia a promotora Construcuatro por ter como socio ao ex candidato do PP á alcaldía de Pontevedra, a quen asegura que o bipartito "prexudicou" pola súa filiación política.
"Cumprir estritamente" a legalidade. É o que, segundo relata o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, fixo a Xunta ao decidir o arquivo dunha sanción á promotora inmobiliaria Construcuatro, por invadir algo máis de dous metros do dominio público marítimo-terrestre da praia de Silgar, en Sanxenxo, municipio do que era alcalde o popular Telmo Martín, copropietario da compañía no momento da construción. A sanción contra o ex candidato do PP á alcaldía de Pontevedra e actual deputado no Congreso remóntase ao ano 2005, nos últimos meses do Goberno Fraga, e arquivouse definitivamente por decisión do Consello da Xunta do pasado 24 de novembro, sen que figurase na referencia cos asuntos tratados que o Goberno galego lles achega aos medios de comunicación. A decisión tomada polo actual Executivo galego supón pechar un proceso aberto a comezos de 2005 polo daquela conselleiro de Pesca, Enrique López Veiga, que optou por arquivar o expediente aberto por un técnico a raíz dunha denuncia do colectivo Salvemos Pontevedra. Pero esa decisión foi recorrida nos tribunais, dado que a competencia era do Consello do Goberno galego e non do conselleiro. Neste punto iniciouse un tirapuxa de procedementos xudiciais, informes e contrainformes ata que o Tribunal Supremo confirmou que era o Consello quen tiña que decidir. E decidiu arquivar. "Outros gobernos da Xunta actuaron contra os intereses de Telmo Martín por ser membro do PP", acusa Hernández Esta controvertida decisión chegou este mércores ao Parlamento da mano do PSdeG que, a través do deputado Ismael Rego, lembrou a existencia dunha "sentenza" na que fica acreditado que o "edificio de luxo en primeira liña de praia" ocupa un espazo que tiña que estar reservado ao dominio público marítimo-terrestre. "Iso é o que dicía o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e que confirma o Supremo". Pero a Xunta, "con nocturnidade e aleivosía", optou polo arquivo, polo que "vostede e o señor Feijóo son cómplices", repróchalle a Hernández para censurar unha decisión que, salienta, vén apoiada por un informe da directora da Axencia da Protección da Legalidade Urbanísística (APLU)-designada pola Xunta-. "Menudo exemplo o que predica esta señora", di o socialista, en cuxa opinión o gabinete de Feijóo non "protexe" a "todos os cidadáns", senón só "á clase dirixente do PP". As acusacións de Rego foron negadas de cheo polo conselleiro, que bota man do informe da APLU de outro da Asesoría Xurídica do Goberno para subliñar o "cumprimento da legalidade". "Este goberno non ten por norma facer revisionismo dos actos en materia sancionadora", asegura para, a continuación, defender a "integración no casco urbano" do edificio cuestionado, que ademais "tivo licenza de obra" e "de primeira ocupación". "Non imos beneficiar a Telmo Martín pola súa condición pero tampouco o imos prexudicar", afirma. Isto si aconteceu, na súa opinión, con "outros gobernos da Xunta -en referencia ao bipartito- si actuaron contra os intereses de Telmo Martín por ser membro do PP -Construcuatro foi sancionada por cobrar sobreprezos en vivendas de protección oficial-".
NOS_4086
Irlanda votará en referendo o 31 de maio se acepta a batería de medidas de "austeridade" de Bruxelas
A menos dun mes do referendo en Irlanda sobre o Tratado da Unión Europea de disciplina fiscal, o número de organizacións e colectivos que avogan polo non van en aumento. Nos inquéritos dos xornais constátase un incremento dos colectivos partidarios de rexeitar o coñecido "Tratado da Austeridade", aínda que aqueloutros defensores do "si" seguen a ser maioría e por unha porcentaxe nada desprezábel. As tres principias formacións políticas irlandesas (Fine Gael, Partido Laborista- ambas as dúas no goberno de coalición- e Fianza Fail ) fan campaña polo si, mentres que o non a este Tratado é defendido polo Sinn Féin (ao que algunhas sondaxes dan o 21% de intención de voto se houber eleccións agora na República) e por tres dos principais sindicatos irlandeses, que representan aproximadamente 200.000 traballadores e traballadoras: Unite, TEEU e Mandate. Do mesmo xeito, un tecido de asociacións e plataformas da cidadanía están a se mobilizar nunha campaña para rexeitar a aplicación dese documento. O novo pacto de disciplina fiscal, asinado a principios de marzo por 25 dos 27 membros da UE obrigará aos países que o subscriban a incorporaren nas súas lexislacións unha "regra de ouro" para manter as contas públicas equilibradas, con sancións financeiras automáticas cando o déficit supere o 3% do PIB. Este novo tratado foi exixido por Berlín no lugar de manter a súa "solidariedade financeira" cos países máis fráxiles da Eurozona. A finais de 2010 o daquela goberno do Fianna Fáil acordou comezar un duro plan de rescate de 85.000 millóns de euros coa UE e FMI a cambio dun duro plano de axuste que supuxo o despido de 24.750 persoas pertencentes ao sector público, baixa de pensións e suba do IVE ao 23%, aumento de impostos sobre a renda, incremento da idade de xubilación a 66 años, redución nun 10% das pensións, entre outras moitas medidas de recorte.
PRAZA_6818
Habería que saber como se daban os créditos, en que condicións, a quen, e cales deles eran a un interese ridículo, de ganga: en definitiva, saber quen formaba parte do clan e en que condicións
Hai dous anos un grupo de opinantes na prensa galega fomos convidados a unha reunión co presidente de NCG Banco, a entidade resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Nun certo momento, José María Castellanos contounos que a desaparecida Caixa Galicia fixera reunións do Consello de Administración en lugares tan suxestivos, se a memoria non me engana, como Valencia, Londres, Río de Janeiro ou Venecia, entre outros emprazamentos exóticos. É de supor que, para darnos esa información, mostra da alegría da belle époque que acaba de morrer, estaba triste e resentido cos seus antecesores. Sen o concurso de José Luís Méndez e Julio Gayoso non se movía unha soa palla en Galicia. Un só exemplo: o fracaso de Pescanova é en gran medida un evento da desaparición de Caixa Galicia e Caixanova Eles, por certo, constituíran o núcleo duro dunha certa elite do país. Sen o concurso de José Luís Méndez e Julio Gayoso non se movía unha soa palla en Galicia. Un só exemplo: o fracaso de Pescanova é en gran medida un evento da desaparición de Caixa Galicia e Caixanova. Mentres existiron as caixas, as contas ían cadrando, pero sen a asistencia financeira debida aos amigos e socios a ficción acabou. O mesmo podería dicirse doutras empresas ás que as dúas caixas financiaban para constituír un armazón de intereses comúns e, máis aló diso, para mandar en Galicia. A libido dominandi de certos empresarios non se limitaba ás súas empresas. Por suposto, nin un só xornal en Galicia quería nin erguer unha cella ante as súas aventuras e desventuras. Gayoso e Méndez fulxían como brillantes cabaleiros que enchían cos seus dons tanto as bocas dos grandes paxaros como algúns miúdos ventres. O triángulo entre José Luís Méndez, Francisco Vázquez e La Voz de Galicia conformaba unha cuadrilla que practicamente decidía a axenda de Galicia en unión co PP No caso particular de Caixa Galicia, o triángulo entre José Luís Méndez, o seu director xeral, Francisco Vázquez, o alcalde socialista, por dicir algo, da Coruña, e La Voz de Galicia, o xornal de Santiago Rey, conformaba unha cuadrilla que practicamente decidía a axenda de Galicia en unión co PP. Eles decidían os negocios a facer e construían o enmarque ou encadre: decidían que había que pensar. O porto exterior da Coruña, unha megaobra absurda, construída para facilitar un pelotazo urbanístico na franxa portuaria da cidade, foi un dos seus proxectos estrela, ideado, para máis inri, no ronsel da confusión que deixou tras de si a catástrofe do Prestige e como presunto pago de Aznar á colaboración do entón alcalde coruñés. Os piratas nunca dormen, e de seguro que tamén neste momento de ira cidadá seguen facendo o seu labor calado. Non é esaxerado dicir que a Galicia contemporánea é, para mal, obra súa en boa parte. Pero o peor foi que case todos, ou todos, calaron ante a súa influencia e poder. Fixérono os profesores de economía, os articulistas de diversa pelame que xamais contrariaron a liña de mando -a hemeroteca pode ser saborosa- e, desde logo, a oposición política que, cando se converteu en goberno, puido aprobar unha Lei de Caixas para metelos polo rego, pero non o fixo. Ao contrario, axeonllouse aos seus pés e agasallounos. Pregúntome como se pode cambiar un país contribuíndo a que a xente que o manca se fortaleza. Se non se ten outro mapa para rotulalo non hai nada que facer. É onde estamos en Galicia e temo que en toda España. O que non fixo a sociedade galega, por covardía ou por complicidade, provocouno un inesperado furacán vido do outro lado do Atlántico Despois, estalou a crise. E a sorte das caixas e os seus dirixentes quedou selada. Ironías da historia. O que non fixo a sociedade galega, por covardía ou por complicidade, provocouno un inesperado furacán vido do outro lado do Atlántico. O cataclismo da crise de 2007 puxo ao descuberto as súas vergoñas. A súa xestión ao servizo do clan deixou tras de si un buraco de 9.000 millóns de euros. Pero non se pode pasar por alto a frivolidade de fondo dunha sociedade que non se toma en serio a si mesma ou, peor aínda, está infectada dun cinismo que é o que, en última instancia, permitiu que as contas dos dous Grandes Capitáns arrasasen coas dúas caixas galegas. Os seus restos comprounos, a prezo de saldo, un banqueiro venezolano. Con todo, entidades crediticias públicas ou, polo menos, semi-públicas como eran as caixas, son necesarias. A bancarización foi favorecida polo goberno, heraldo da moi estrita Orde Neoliberal que goberna a UE. Rajoy e Zapatero pactaron as sucesivas leis que puxeron as caixas en man dos banqueiros. Era nepotismo á vista de todos, pero ninguén pareceu fixarse no detalle É unha historia moi similar á de Bankia. Talvez a diferenza máis notable é que, no caso das caixas galegas, a influencia política de PP e PSOE, que existía, esvaecíase ante o bonapartismo dos dous directores xerais. Para mostra un botón. Julio Gayoso exerceu a presidencia da entidade desde o ano 1964. Foi posto alí por Rafael Portanet, falanxista de primeira hora, primeiro delegado da Zona Franca en 1947, e desde o 60 alcalde de Vigo, dise que grazas a Camilo Alonso Veiga, Don Camulo, ministro de Gobernación afecto á á bruta do franquismo. Ao parecer, ninguén reparou nunca en corenta anos de democracia en tales sospeitosas orixes mentres os espiñazos se dobraban coa santa unción que se lle debe ao diñeiro. E outro botón máis: un dos fillos de José Luís Méndez xestionaba a corporación industrial de CaixaGalicia. Era nepotismo á vista de todos, pero ninguén pareceu fixarse no detalle. Aínda que o que estaba ao mando era o PP na súa versión máis canalla, todos pillaron e todos calaron. Foi vergoñoso o pacto entre CCOO e o PP en 1996 para nomear a Blesa, o home de Aznar Pero, no caso de Bankia, os demais ingredientes estaban aí: a trama de intereses, a obsequiosidade dos ben pagados. Na prensa da capital non se puido ler nadiña de nada de crítica ata que o fracaso foi inocultable. Polo demais, tamén Bankia era o instrumento financeiro dunha certa camarilla madrileña, que sorprende pola súa amplitude ideolóxica. Aínda que o que estaba ao mando era o PP na súa versión máis canalla, todos pillaron e todos calaron. Foi vergoñoso o pacto entre CCOO e o PP en 1996 para nomear a Blesa, o home de Aznar. Desde aquel momento todo en Caja Madrid fíxose provincial e espeso. En Bankia estaba, é evidente, o máis concupiscente e corrupto do empresariado madrileño, de Díaz Ferrán a Arturo Fernández, pasando por Ricardo Romero de Tejada, secretario xeral do PP madrileño e presunto urdidor daquela vergoña, o tamayazo, que viviu o Parlamento de Madrid nos anos en que a especulación inmobiliaria alimentou todas as corrupcións. Moita xente, quizais demasiada, sabíao. O que pasou despois, cunha burbulla disparada pola liberalización do solo que propiciou Rato, mostrou até que punto podían empeorar a avaricia e a estupidez O TurboMadrid era unha pera en doce para especuladores e arribistas. En España hoxe a xente faise a idiota, coma se acabase de caer dunha guindeira, pero xa Alejandro Nieto avisou na súa Corrupción en la España democrática, Premio Nacional de Ensaio en 1977, do que estaba a suceder. Moita xente, quizais demasiada, sabíao. O que pasou despois, cunha burbulla disparada pola liberalización do solo que propiciou Rato, mostrou até que punto podían empeorar a avaricia e a estupidez. España estivo neses anos a piques de se volver parva, como alguén escribiu noutras circunstancias. O das tarxetas black é moi vistoso e gandulo pero habería que saber como se daban os créditos, en que condicións, a quen, e cales deles eran a un interese ridículo, de ganga: en definitiva, saber quen formaba parte do clan e en que condicións. Que construtoras, grupos de comunicación, grandes empresas..., se beneficiaron de créditos en condicións que ningún particular ousaría soñar. Algunhas fontes sinalan, só para dar un exemplo, que "en febreiro de 2012, tres meses antes da nacionalización, a Comisión de Riscos recibiu un informe que lle advertía de que a exposición da entidade en ACS era de 2.757 millóns de euros, en FCC de 1.500 millóns, en OHL de 1.000 millóns e en Abengoa de 756 millóns, entre outras grandes corporacións" . Esa información talvez daríanos unha cartografía do poder madrileño. 22.400 millóns de euros custounos o xoguete roto. Bo sería saber quen o gozou.
NOS_43922
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, demandou a Goberno estatal e á Xunta da Galiza que fagan "fronte común" para " intevenir" e "imposibilitar" o fechamento da factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo).
En declaracións difundidas despois de coñecerse que Alcoa decidise aplicar o despedimento colectivo de 524 traballadores e a hibernación ordenada das cubas de electrólise da planta de aluminio de San Cibrao, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou o Goberno español e mais o galego a facer "fronte común contra o fechamento". "Todos estamos indignados. O de Alcoa é infumábel, unha multinacional que recibiu millóns de euros e que agora fai unha chantaxe deste estilo", puxo de manifesto Caballero para, a continuación, reclamar esa "fronte común". Segundo Caballero, Alcoa "actuou de mala fe", polo que é preciso que os gobernos expresen o seu rexeitamento ao Expediente de Regulación de Emprego, reclamen que se manteñan as cubas con actividade e interveñan "para imposibilitar o fechamento dunha factoría fundamental para A Mariña". A Federación Galega de Comercio aínda facía esta quinta feira alusión ás consecuencias negativas que tería a paralización da fábrica para toda a comarca da Mariña. "Non cabe dúbida de que, tal e como están as circunstancias, isto sería un novo golpe para o comercio da Mariña e non só da Mariña, senón para o comercio de Lugo", afirmaba José María Seixas, presidente da federación.
PRAZA_20151
Educación seguirá a organizar os horarios, pero o departamento de Mobilidade será quen contrate o servizo por zonas, nas que se integrarán as liñas regulares. Este martes expóñense ao público as 38 primeiras zonas, en Ourense e parte de Lugo, dun proceso que se estenderá a toda Galicia antes de setembro de 2019. MAPA INTERACTIVO | O bus do século pasado: este é o cento de concesións que a Xunta quere reordenar
Educación seguirá a organizar os horarios, pero o departamento de Mobilidade será quen contrate o servizo por zonas, nas que se integrarán as liñas regulares O transporte escolar, no que a Xunta gasta uns 120 millóns de euros cada ano, era ata agora o sustento económico de moitas pequenas empresas de autobuses de toda Galicia que obtiñan del beneficios cos que cubrir as perdas das liñas regulares que tiñan en concesión pero cuxo uso vai caendo co despoboamento. Agora, o Goberno galego quere que esa realidade económica beneficie tamén aos usuarios adultos e vai facer, fundamentalmente fóra das áreas metropolitanas, que o bus escolar, sempre con supervisores e onde teña prazas dispoñibles, sexa a base da nova rede de transporte público interurbano de Galicia, máis alá das experiencias de transporte escolar compartido que se viñan realizando desde o bipartito baixo o nome TES+BUS. Isto é, se ata o de agora se abrira o transporte escolar aos adultos para complementar os servizos regulares, agora en moitas zonas do rural serán os servizos regulares os que complementen o transporte escolar, que será a base do sistema. Así, ao longo dos dous próximos anos, ata setembro de 2019, a Xunta vai adxudicar varias ducias de contratos de transporte por zonas xeográficas que substituirán ás concesións actuais e nos que, sobre a base do transporte escolar, que poderá ser empregado tamén por calquera cidadán, se deseñarán novas liñas de transporte regular complementarias e se implantarán servizos a demanda que só operarán cando o pidan os usuarios. A reorganización do transporte interurbano en Galicia vén precedida dunha década de bandazos lexislativos e dunha sentenza que anulou a pretensión da Xunta de prorrogar a dedo, en contra do previsto pola Unión Europea, as concesións anteriores de liñas regulares. Para comezar a reorganizar o sector, este luns o Diario Oficial de Galicia publica un acordo do Consello da Xunta polo que traspasa da Consellería de Educación á de Infraestruturas parte das competencias sobre o transporte escolar. Agora será a Dirección Xeral de Mobilidade, dependente de Infraestruturas, a responsable de contratar o transporte escolar -isto vai supor que nos próximos anos se produza un transvase orzamentario de Educación a Infraestruturas-. Porén, Educación "conservará as súas competencias respecto da declaración do dereito ao transporte por parte dos escolares, así como a organización das áreas educativas, os seus horarios e xornadas". Fontes da Xunta sinalan que, malia que as empresas de buses estarán contratadas por Infraestruturas, deberán mudar os seus percorridos e servizos para adaptarse ás necesidades educativas en cuestión de horas cando así o esixa Educación. Este martes expóñense ao público as 38 primeiras zonas, en Ourense e parte de Lugo, dun proceso que se estenderá a toda Galicia antes de setembro de 2019 A transferencia do transporte escolar a Infraestruturas permitirá que, sobre a base deses servizos, que poderán ser empregados por adultos alí onde haxa un supervisor adulto e existan prazas libres nos buses, fundamentalmente fóra das áreas metropolitanas, a Xunta organice as liñas de transporte regular. Será de xeito zonal, e os primeiros 38 contratos zonais, a nivel local ou comarcal, que abarcan a provincia de Ourense e parte da de Lugo, serán expostos ao público a partir deste martes. Xunto con eles, a Xunta tamén exporá outros catro contratos de longa distancia. Durante os próximos dez días naturais as empresas interesadas poderán formular alegacións a eses 42 contratos, nos que se indicará que ingresos e gastos estima a Xunta que terá tanto o transporte escolar como as liñas regulares asociadas, e amosar o seu interese por facerse con eles. En función das respostas obtidas, a finais de xuño o Goberno galego fará públicos os criterios que empregará para adxudicar cada zona e invitará ás empresas que considere máis adecuadas a participar nun proceso negociado. O obxectivo é que a comezos de agosto comecen a prestarse os novos servizos regulares nesas 38 zonas, que en setembro serán ampliados co transporte escolar. Esas mesmas empresas adxudicatarias deberán tamén habilitar liñas que operarán segundo a demanda. Non será un servizo porta a porta como o taxi senón que, sobre a base dunhas liñas preestablecidas, o vehículo circulará só cando un usuario o reclame chamando previamente a un teléfono. O transporte a demanda, sobre a base dunhas liñas preestablecidas que só circularán cando un usuario o reclame, complementará os servizos escolares e regulares Coa experiencia destas 38 zonas, cuxos contratos durarán dous anos, dentro dun ano a Xunta fará público o seu plan para toda Galicia co obxectivo de que un ano máis tarde, contra o verán de 2019, se adxudiquen todos os novos servizos integrados de transporte escolar, regular e a demanda, tanto nas anteditas 38 zonas que volverán ser adxudicadas como nas que se establezan no resto de Galicia para substituír as preto de 150 concesións actuais de liñas regulares, moitas delas obsoletas e deseñadas a mediados do século pasado. O proceso, segundo coinciden fontes empresariais e da administración, implicará una concentración en maior ou menor medida dun sector moi dispar, con grandes empresas como Monbus pero tamén con pequenas sociedades familiares. O novo sistema, aseguran fontes da Xunta, prevé que as pequenas operadoras poidan asociarse entre elas e mesmo as empresas de autobuses o fagan con taxistas para prestar de xeito máis económico os servizos con menos demanda. Porén, tamén hai fontes empresariais que xa advirten de que as empresas que neste proceso perdan os servizos escolares que tiñan contratados ata 2019 e nos que se baseaba ata o de agora a súa subsistencia están dispostas a esixir compensacións económicas na vía xudicial se non se ven beneficiadas cos novos contratos zonais. O novo sistema de integración dos distintos sistemas de transporte por zonas fará que por un lado sexa máis rendible e mesmo se reduza o que a Xunta gasta agora en transporte escolar, que será empregado por outros usuarios, pero a cambio mudarán e mesmo desaparecerán algunhas das liñas existentes ata o de agora de transporte regular, que á súa vez poden ser complementadas co transporte a demanda. A propia Xunta admite que só o tempo permitirá axustar o novo sistema ás necesidades da cidadanía. Ademais, as empresas adxudicatarias terán entre as súas obrigas a de informar aos usuarios das novidades.
NOS_5249
Endesa declara un deterioro de activos por valor de 1.469 millóns de euros.
O anuncio de feche e cese de actividade da central térmica das Pontes pasoulle factura a Endesa, que viu como o seu beneficio caía 87,9% en 2019, até os 171 millóns de euros. A compañía enerxética cargou aos resultados do pasado ano un deterioro de 1.469 millóns de euros polas súas centrais de carbón (a das Pontes e Litoral, en Almería), á que hai que sumar 404 millóns de euros polas centrais extrapeninsulares, como consecuencia do cálculo da retribución pola actividade de produción de enerxía eléctrica para o período 2020-2025, que sufriu unha diminución significativa nesta retribución regulada O grupo rexistrou un impacto no seu beneficio neto por importe de 1.409 millóns de euros dos que unha parte corresponden aos activos de xeración térmica peninsular de carbón (1.105 millóns de euros) polo cese das centrais e a ausencia de perspectivas de futuro debidos ás condicións de mercado e, doutra banda, aos activos nos territorios extrapeninsulares (304 millóns). Con todo, desde Endesa destacan que o deterioro contable non ten impacto no beneficio neto ordinario da compañía e, por conseguinte, tampouco na retribución aos accionistas a través do dividendo. Por riba das previsións O Beneficio ordinario neto do grupo dirixido por José Bogas acadou os 1.562 millóns de euros, o que supón 3% que hai un ano. Neste sentido, a compañía destacou un feche do ano "por riba" dos obxectivos anunciados ao mercado no seu plan estratéxico, que prevían para 2019 ese beneficio ordinario en torno aos 1.600 millóns de euros y un resultado bruto de explotación (Ebitda) duns 3.800 millóns de euros, e que finalmente foi de 3.841 millóns de euros, 6% máis que en 2018. Para 2020, o grupo estima un incremento do beneficio neto ordinario de 1.700 millóns de euros e do Ebitda até os 3.900 millóns de euros.
PRAZA_11838
As primeiras horas de Praza foron moi estresantes. Algúns problemas técnicos fixeron que estivésemos caídos durante unhas cinco horas. As nosas inmensas desculpas.
A primeira mañá tivemos un encontro un pouco brusco coa realidade. A súpeta, calorosa e intensa resposta de vós, lectoras e lectores, sumado a unha serie de pequenos problemas técnicos pola nosa parte, fóronse sumando e derrubaron o servidor ata tres veces, cada unha delas máis seria cá anterior. Sentímolo, sentímolo moito. As persoas de Dinahosting, onde está hospedado o servidor, fixeron un traballo épico para recuperar todo o contido. Agora xa todo o que existía a primeira hora da mañá está dispoñible e recuperado. Agora retomamos o ritmo xa pouco e pouco, e xa nos estamos partindo o peito para facer noticias, ou o equivalente que desexedes. Prometemos que a próxima vez que sexamos trending topic saberemos resistir mellor. De paso aproveitamos para explicar algúns detalles sobre a visualización. Algúns usuarios teñen problemas para ver as páxinas cando empregan navegadores moi antigos, e non estándares. Poder atender a navegación nos móbiles e nos tablets significa que os usuarios que empregan o software menos actualizado nos computadores, e que son menos do 2% dos usuarios de Praza, van ter dificultades. Poderán ver todo o contido, sen perder nada, pero non poderán aproveitar os elementos máis interesantes que si aproveitarán os demais. Pregamos desculpas, pero... é todo o que podemos facer.
PRAZA_9171
O presidente dos EUA, Donald Trump, recoñece a Juan Guaidó como presidente interino. Brasil, Colombia, Perú, Ecuador ou Costa Rica tamén apoian o pronunciamento mentres seguidores de Maduro se mobilizan.
O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, recoñeceu o líder da oposición venezolana Juan Guaidó como o presidente lexítimo de Venezuela, logo de que este se autoproclamase como tal.Guaidó, presidente da Asemblea Nacional, confirmou que asumirá o cargo de presidente interino da República citando unha cláusula da Constitución. Con todo, Guaidó non dixo cando tomará a decisión: "Fareino no seu momento". O líder opositor fixo o xuramento activando o artigo 233 que establece que poden existir faltas absolutas do presidente da República e que estas poden ser decretados polo Parlamento cuando exista "abandono do cargo", algo que a Asamblea Nacional cre que é unha realidade desde 2017 por "incumprimento de deberes constitucionais por parte de Maduro". "Xuro asumir formalmente as competencias do Executivo Nacional como presidente encargado de Venezuela", dixo entre aplausos e vítores dos manifestantes Juan Guaidó que dixo ter como obxectivo "lograr un goberno de transición e ter eleccións libres".Trump tomou a decisión de recoñecer a Guaidó esta semana, coincidindo coa convocatoria de manifestacións deste mércores que percorreron varias cidades de Venezuela contra o goberno de Nicolás Maduro tras a súa toma de posesión. A Casa Branca confirmou nun chío que recoñecía a Guaidó como "presidente interino" logo de que o pasado martes, o vicepresidente Mike Pence emitise unha mensaxe de apoio aos venezolanos convocados para manifestarse na rúa, afirmando que tiñan "o apoio inquebrantable de EEUU".Trump reuniuse este martes co asesor de seguridade nacional, John Bolton, e cunha delegación de congresistas republicanos de Florida para discutir o asunto, segundo revelou unha fonte do Congreso á CNN.Desde o Goberno de Venezuela advertiuse de que se os opositores "se deixan levar polo extremismo" deberán tomar as accións necesarias mentres outras marchas de apoio a Maduro percorreron varias localidades do país caribeño e seguidores chavistas chamaban a mobilizarse. "Hoxe, recoñezo oficialmente ao presidente da Asemblea Nacional de Venezuela Juan Guaidó como presidente interino de Venezuela. No seu papel como única rama lexítima do Goberno elixida debidamente polos cidadáns venezolanos, a Asemblea Nacional invocou a Constitución nacional para declarar a Nicolás Maduro ilexítimo e a presidencia, xa que logo, vacante. O pobo venezolano manifestouse con valentía contra Maduro e o seu réxime, e pediu liberdade e o estado de dereito", dixo Donald Trump mediante un comunicado.Como reflicten varios medios internacionais, Canadá tamén tería recoñecido a Guaidó como novo presidente de Venezuela, ao igual que o Brasil, o Paraguay, Colombia, Perúa, Eucador ou Costa Rica. México e Bolivia, no entanto, manifestaron o seu apoio a Maduro.Reacción de MaduroTras autoproclamación de Guaidó como novo presidente, Nicolás Maduro reivindicou a súa lexitimidade como máximo mandatario de Venezuela. Despois do aval de Washington á operación, Maduro acusa a Administración estadounidense de "impoñer a través dun golpe de estado un goberno monicreque aos seus intereses en Venezuela" e deu 72 horas ao persoal da embaixada dos EUA para abandonar o país. Maduro: "Pido ás Forzas Armadas máxima lealdade, máxima unión, máxima disciplina""Comeza a mobilización permanente do pobo", dixo Maduro nun discurso ante miles de persoas fronte ao palacio presidencial de Miraflores no que non nomeou directamente a Guaidó pero desde o que falou de " golpismo" contra o goberno democrático de Venezuela. "Pido ás Forzas Armadas máxima lealdade, máxima unión, máxima disciplina", dixo. A UE pide elecciónsMentres, fronte ao recoñecemento de Guaidó como presidente de varios Estados e o entusiasmo co que o seu movemento foi recibido en forzas políticas españolas como PP ou Ciudadanos, a Unión Europea reclama eleccións anticipadas a Nicolás Maduro e recoñece a "lexitimidade democrática" de Juan Guaidó como presidente da Asemblea Nacional venezolana. Pero non o recoñece como presidente do país."A UE pide encarecidamente o inicio dun proceso político inmediato que conduza a eleccións libres e cribles, de conformidade coa orde constitucional"Como informa Andrés Gil para eldiario.es, nun comunicado difundido pasadas as once da noite, a Alta representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e vicepresidenta da Comisión Europea, Federica Mogherini (membro do PD italiano), afirmou: "A UE pide encarecidamente o inicio dun proceso político inmediato que conduza a eleccións libres e cribles, de conformidade coa orde constitucional. A UE apoia plenamente á Asemblea Nacional como a institución elixida democraticamente, cuxos poderes deben ser restaurados e respectados. Os dereitos civís, a liberdade e a seguridade de todos os membros da Asemblea Nacional, incluído o seu presidente, Juan Guaidó, deben ser respectados. O pobo venezolano ten dereito a manifestarse pacificamente, a elixir libremente aos seus líderes e a decidir o seu futuro". A petición a Maduro chega ás dúas semanas de asumir a reelección como presidente de Venezuela tras unhas eleccións que a Unión Europea cualificou como "non libres nin cribles". Así e todo, antes xa se pronunciara o presidente do Consello Europeo, a institución comunitaria que reúne os 28 xefes de Goberno da UE, nun sentido diferente. O polaco Donald Tusk, dirixente do PP Europeo, reaccionou en Twitter á autoproclamación de Juan Guaidó como presidente de Venezuela. "Espero que toda Europa se una en apoio ás forzas democráticas en Venezuela", tuiteou Tusk. O presidente do Parlamento Europeo e dirixente de Forza Italia, partido de Silvio Berlusconi, Antonio Tajani, apoiou tamén a Guaidó:
NOS_56388
Iria Veiga e Javier Balea son os creadores de 'Balea vermella', un espazo semanal, en directo, dedicado ao coñecemento e á divulgación científica na plataforma dixital Twitch. En galego e ao abeiro de Puntogal.
Quen está detrás de Balea Vermella? Basicamente, dous amigos aos que lles gusta falar de ciencia. Cada un de nós ten unha formación diferente -Balea é químico e Veiga é psiquiatra- e antes de pór en marcha Balea Vermella cada un manexaba o seu propio proxecto de divulgación. Cando nos coñecemos vimos que tiñamos moito en común, que compartiamos a nosa visión da divulgación e a paixón pola ciencia, así que rapidamente quixemos facer algo xuntos. Ademais, desde setembro contamos coa colaboración económica de PuntoGal que nos axuda a mellorar e a pór en valor o que facemos. Que hai de cada un neste proxecto de divulgación? De Iria Veiga hai a preocupación pola saúde mental, un tema pouco difundido e do que case non se fala, que tratamos con moita frecuencia en Balea Vermella. De Javier, o interese pola ciencia básica, outra das grandes esquecidas. A súa idea orixinal estaba moi afastada de Twitch, pero é aí onde prospera. Tiñamos claro que queríamos facer algo en formato audiovisual, así que nun primeiro momento pensamos no vídeo. Cando se empezou a falar máis de Twitch vimos que o formato directo podía dar moito xogo pola maior interacción co público e pola posibilidade de contar con diferentes colaboradoras e entrevistadas. Non fixemos máis que buscar a plataforma máis acaída. Ademais, canles como Ecos de Xigantes, que comezaron un pouco antes ca nós, e a imposibilidade de xuntarnos fisicamente por mor da pandemia acabaron de inclinar a balanza. Que lles achega esta plataforma como creadoras? Achéganos inmediatez, espontaneidade e interacción coas espectadoras en tempo real, cousa que outras plataformas como YouTube non permiten. E púxonos en contacto con toda unha comunidade orquestrada desde 2020 polo colectivo Twitch en Galego, que realiza unha petición para que a plataforma engada a etiqueta do galego como lingua para posicionar canles. O encontro co público semella afortunado... A interacción coas espectadoras é o mellor de Twitch, porque é moi espontánea. Sempre nos sorprende o nivel e a calidade das preguntas, e tamén o afecto que nos chega. Salvo raras excepcións, sempre son interaccións en positivo, respectuosas e construtivas. O chat tamén permite facer brincadeiras, estabelecer conversas entre espectadoras e recomendar outras fontes e artigos. É moi enriquecedor. Tamén se crean sinerxías con outras creadoras, tanto de divulgación científica como doutros temas totalmente diferentes, como a nosa aparición en Recuncho Gamer ou as raids -incursións- nas que se deriva a conexión a outro espazo cando remata o directo. Estase a crear unha comunidade moi ampla e diversa de persoas que crean contido en galego. No caso de Balea Vermella, que propostas ofrece nunha hora longa de transmisión? Un programa tipo de Balea Vermella consiste nunha entrevista a unha persoa significativa da ciencia e da investigación galegas, tanto feita na Galiza como por galegas afincadas no estranxeiro. Sempre tratamos de que a entrevistada teña a máxima liberdade para falar do seu campo de coñecemento e que as preguntas sirvan a ese fin. Mais tamén nos interesan os factores socioeconómicos que condicionan como se realiza a investigación científica: a fenda de xénero, a precariedade ou a falta de financiamento. Unha vez ao mes temos un directo coa colaboración de Edicións Xerais no que entrevistamos a un autor da colección Básicos Ciencia e o espazo 'cóctel científico', aberto a persoas colaboradoras co seus propios proxectos de divulgación en redes. Que papel xoga a lingua nesta cita semanal arredor da ciencia na rede? O papel de comunicación que xogan todas as linguas. Dadas as circunstancias do galego é importante que haxa contidos sobre ciencia en todos os formatos e nós intentamos pór da nosa parte.
NOS_57415
A xornalista María Feijoo vén de presentar o libro Orballo: crónica da inmigración galega en Zarautz, un traballo que ten como fontes privilexiadas a memoria oral da emigración. O escritor e investigador Xosé Estévez presentou o traballo desta filla dun emigrante de Nogueira de Ramuín que está accesíbel na rede.
-Filla de emigrante galego, como empeza a súa investigación sobre a emigración en Zarautz? En Euskadi hai doce centros galegos e o de Zarautz organiza cada ano unha festa na que participan arredor de 15.000 persoas, todo isto nunha localidade que ten 25.000 habitantes. Celébrase desde hai 31 anos e veñen galegos de todas partes. Tiña vontade de recoller a historia dos galegos en Zarautz e levaba varios anos falando do tema. Vivín en Madrid 15 anos e, en total, 20 fóra da cidade a ao meu regreso propuxéronmo e púxenme a investigar. -Que documentación e fontes manexou? O meu punto de partida era que aos galegos só se lles coñecía polas festas e había moito máis que mostrar. Examinei as crónicas xornalísticas de trinta anos, o padrón municipal, libros e un montón de documentos oficiais mais realmente o máis importante son as entrevistas. Falei con máis de trinta galegos e galegas que viñeron vivir a Zarautz ou aos seu arredores. Maiormente son emigrantes da época de entre os corenta e os setenta e case todos maiores de sesenta anos, algún mesmo sobrepasa os noventa. -Que poboación chegou a Zarautz desde Galiza? O ano que máis censados houbo son 175 mais nunca houbo máis do un por cento, agora, sempre foron moi activos e fixéronse notar, en especial a través da Sociedade Carballeira que é a través da que se articulan as iniciativas cidadáns. Notábanse mesmo nas rúas e nos bares, onde ían en grupo e sentíase falar galego. Chegaron entre os corenta e setenta, aínda que a maior parte a partir do 55. A maioría asentáronse en Euskadi mais moitos fixeron casa en Galiza e van un par de meses ao ano aínda que a súa vida está en Zarautz onde naceron e medraron os seus fillos e netos. -A que se dedicaron profesionalmente? Os que veñen entre o 40 e o55 son comerciantes principalmente, os que chegaron entre o 55 e o 65-70 traballan na construción, normalmente son oficiais, fontaneiros, albaneis, carpinteiros, encofradores... é unha emigración valorada por teren oficio e saber traballar. -Mantiveron a identidade galega? Totalmente. Entre si falan galego e tamén case sempre cos fillos. Manteñen o idioma e tamén os costumes como, poño por caso, celebrar o magosto. A parte gastronómica continúa presente. Na Sociedade Carballeira, os xantares rematan con queimada e o polbo e os grelos seguen sendo pratos que se cociñan nas festas. -Podemos dicir que aos galegos e galegas que emigraron a Zarautz foilles ben? Podemos, certamente non lles foi mal. Na presentación do libro dicía que era unha xeración cun enorme espírito de sacrificio, que tiñan a vontade de que os fillos viviramos mellor ca eles. Case todos mercaron as súas casas e integráronse na localidade. -Que porcentaxe retornaron a Galiza? Moi poucos e os que volveron fixérono por motivos persoais, por pais que se puxeron enfermos e precisaban deles ou casos similares. Normalmente é unha emigración que non regresou. A emigración a Euskadi é distinta da de América. No libro recollo a historia de Manuel Vilar, que é gaiteiro no grupo folclórico da sociedade. Manolo emigrou a Venezuela e dicíame que a emigración en Zarautz non tiña nada a ver coa de América. El non quería volver pisar o porto de Vigo, lembraba cando montara no buque Begoña e a saída do barco alonxándose como algo desgarrador. Nunca quixo volver a Vigo. Logo veu ao País Vasco e dicía que non tiña nada que ver porque podía volver a Galiza cando quixera. Os emigrantes lembran o tren correo, que paraba en todos os pobos. En Venta de Baños cambiaban e collían o de Madrid para ir para Galiza. Tardaban 24 horas pero non era a distancia do océano por medio. -Nas entrevistas, mostraban a morriña que sentían pola terra? Teñen e tiveron. Galiza está sempre no horizonte. A súa meta é esa. Na Sociedade sempre escoito que cando se xubilen volven para Galiza mais logo como os fillos fixemos a nosa vida aquí e decidimos non marchar continúan vivindo en Euskadi. Seguen a falar de Galiza como a terra prometida. A morriña continúa e seguen desexando vivir na terra. De todas maneiras, maiormente os emigrantes nunca viñeron sós. Co meu pai viñeron dous irmáns e da comunidade da Carballeira, a maior parte son casos similares. Hai mesmo unha familia da que viñeron catro irmáns e a nai. A emigración a outros países foi moito máis dura. Entre os entrevistados está, por exemplo, Jorge, que marchou primeiro a Suíza coa súa muller e tiveron unha nena pero non podían levala así que decidiron vir a Zarautz e recoñecía que aquí todo fóra máis fácil.
NOS_20264
Castrelo do MIño acolle unha xuntanza das ANPAs da comarca para trazar unha estratexia, a extender a todo Ourense, ante os plans da Xunta de modificación das unidades escolares no curso 2012-2013
O ataque da Xunta ao ensino público concretado, entre outros plans, na modificación e recortes das unidades escolares para o vindeiro curso, non vai quedar sen resposta. As mobilizacións e protestas que xa tiveron lugar en diferentes puntos do país están a pasar a unha nova fase, a coordinación e colaboración entre ANPAs para facer fronte ás pretensións da Consellería de Educación. Así, o sábado 7 de xullo, celebrarase en Castrelo de Miño unha reunión das ANPAs de toda a comarca do Ribeiro para abordar actuacións conxuntas e actos colectivos a desenvolver de cara a deseñar unha estratexia común e máis forte aínda fronte á decisión da Consellería de Educación que provocará a supresión de 50 profesores nos centro de ensino público das zonas rurais da provincia de Ourense o vindeiro curso. O exemplo de Carballeda de Avia A Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) O Carballo, do Colexio de Educación Primaria e Infantil (CEIP) Pena Corneira, de Carballeda de Avia (Ourense), finalizou o venres 6 o seu encerramento nas instalacións do centro de ensino pública. Toman esta decisión despois de cinco días nos que alumn@s, nais, pais e veciñ@s da localidade permaneceron pechados no colexio para protestar contra a decisión da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de modificar as unidades escolares no curso 2012-2013 e reducir á metade o cadro de profesores que actualmente imparten clase nese centro público. Mais, sinalan desde a ANPA, este fin do peche non implica abandonar a loita, pois a ANPA O Carballo ponlle fin ó peche "precisamente para poder iniciar novas liñas de presión e centrarse en planificar novas mobilizacións e accións en conxunto con outras ANPAs da provincia de Ourense que fagan á Consellería de Educación recuar na súa decisión". Concretamente no CEIP Pena Corneira, de Carballeda de Avia, onde hai matriculados 50 nenos en Infantil e Primaria, a Xunta reducirá 3 profesores dese Colexio, polo que no curso 2012-2013 os cativos serán educados por 4 mestres, en lugar de polos 7 actuais, reducindo á metade o cadro de mestres.
PRAZA_3083
O presidente da Xunta di ser "optimista" de cara á contratación de pediatras que permita recuperar a atención aos partos ao tempo que o seu partido vota en contra dunha proposición para "rectificar" aquela decisión que foi apoiada por toda a oposición.
"Son optimista. Creo que imos ter pediatra ou pediatras nas próximas semanas, pero a data exacta correspóndelle á xerente notificala". Así respondeu Núñez Feijóo ao ser preguntado este xoves sobre o obxectivo de reabrir o paridoiro de Verín expresado pola nova directora do distrito, Guillermina Agulla, e logo de múltiples versións que desde o Goberno galego intentaron xustificar a polémica supresión do servizo. Feijóo di ser "optimista" de cara á posibilidade de contratar pediatras para Verín e recuperar o servizo de atención aos partos suprimido pola XuntaO presidente confirmou que xa hai "contactos" con facultativos que espera que traian "boas novas" e que permitan recuperar a atención aos partos, certificando así a marcha atrás do Executivo logo da mobilización cidadá e das protestas dos profesionais. Case ao mesmo tempo, na comisión de Sanidade do Parlamento, o seu partido volvía rexeitar unha proposición non de lei do BNG apoiada por todos os grupos da oposición que instaba a Xunta a "rectificar a súa decisión de suprimir o servizo".Foi nun debate no que todos os representantes da oposición coincidiron en advertir de que a decisión de pechar o paridoiro foi "política" e que só a "presión cidadá" e o "cálculo electoral" pola posible perda de apoios nas vindeiras eleccións fixeron recuar a Xunta. "Vimos a covardía política e a valentía da veciñanza", dixo Noa Presas, deputada do BNG, que lembrou que foi só despois de que profesionais e veciñanza se mobilizasen masivamente cando "a decisión irrevogable" de peche "xa non foi tan irrevogable". "Dixeron primeiro que era unha cuestión se seguridade, falaron de falta de pericia do persoal, ao que insultaron, logo dunha ambigua guía... Mentira tras mentira ocultando o que era unha realidade: que era unha decisión politica, a de desmantelar a sanidade pública e centrar a atención nas cidades", insistiu a parlamentaria nacionalista. Ao tempo que Feijóo suxería a reapertura do paridoiro, o PP votaba en contra dunha proposición apoiada por toda a oposición que reclamaba a "rectificación" da XuntaPresas, que pediu unha nova convocatoria de prazas de pediatría pero "atractivas e con incentivos", coincidiu na análise co resto da oposición. O deputado do PSdeG, Julio Torrado, asegurou que o paridoiro pechouse "porque Feijóo quixo" e logo de múltiples "argumentos contraditorios". "Se o resolven agora e se agora parece que hai pediatras é que tamén podía habelos de entrada, pero parece que lles gusta ver a xente sufrir", engadiu o deputado, que acusou o PP de "non ser quen de asumir que se equivocou" e de "buscar escusas para reabrilo" nos últimos días. Pola súa banda, Eva Solla, do Grupo Común da Esquerda, cualificou de "vergonzoso" que o PP "non teña pedido desculpas nin resolto o tema" e insistiu na necesidade de procurar "incentivos" para os profesionais que accedan a traballar nos hospitais comarcais e de dar marcha atrás nunha decisión "política". "Se agora o fan é porque hai eleccións autonómicas", engadiu. Ademais, a deputada de En Marea, Paula Vázquez Verao, lembrou que a Xunta "mudou de versión continuamente" e destacou a "vitoria da cidadanía" que supón a posible reapertura, algo que, como lembrou toda a oposición, "tamén apoia o PP de Ourense" e alcaldes seus como os da Gudiña. "A súa máxima preocupación é conquistar Monte Pío"Todos os deputados dos grupos criticaron a actitude da Xunta e do PP. O deputado popular Núñez Centeno, no entanto, acusounos de non ter como "máxima preocupación a saúde e seguridade das nais e os neonatos senón conquistar Monte Pío". Logo de presumir do aumento de persoal e de actividade no hospital de Verín nos útlimos anos, reiterou a petición de incluír a emenda do seu partido na proposta do BNG e pediu os deputados da oposición que mudasen " a súa postura electoralista". Nesa emenda, o PP pedía incluír, entre outros puntos, demandas ao Ministerio de Sanidade para coordinar coas autonomías ofertas de MIR de Pediatría, a regulación dos residentes con rotación en hospitais comarcais ou unha normativa que permita contratos estables en prazas de difícil cobertura aos novos médicos. Na proposición non de lei impulsada polo BNG, e apoiada por toda a oposición, tamén se reclamaba á Xunta que se reunise "de forma inmediatacoa comunidade hospitalaria de Verín de cara a fixar o calendario e orzamento necesario para o cumprimento das súas demandas, comprometéndose a ofrecer un servizo de calidade a comezar polo mantemento do catálogo de servizos do hospital, para o que deberá subsanar de forma inmediata as deficiencias de cirurxía, dermatoloxía, paritorio e pediatría hospitalaria". O PP rexeitouna, ao igual que fixera na mesma proposta presentada no pleno do Parlamento o pasado mes de decembro.
PRAZA_20507
A actual coordinadora defende na cita asemblearia deste sábado a necesidade de reforzar a organización "como primeira forza da oposición" e os textos críticos rexeitan "reducilo a un partido clásico". A portavocía única ou colexiada, o réxime económico e as relacións coas mareas municipais, entre as principais fontes de discrepancia A coordinadora cre que o debate amosa "unha organización viva" e mantén que o grupo do Congreso "non se negou a render contas"
A coordinadora cre que o debate amosa "unha organización viva" e mantén que o grupo do Congreso "non se negou a render contas" Desmarque da dirección de Podemos Galicia En Marea ten este sábado en Santiago unha cita clave. É, cando menos, a máis relevante dende a súa constitución como partido instrumental no verán de 2016, cando as forzas que participaran como coalición nas eleccións xerais de decembro de 2015 e de xuño dese mesmo ano procuraban, xunto ás mareas municipais, a fórmula para concorreren aos comicios galegos do pasado outono. O plenario da formación vén precedido de semanas de tensión entre sectores que se dispoñen a mediren as súas forzas internas en debates e votacións de documentos políticos e organizativos que translocen diferenzas cuxa orixe cómpre buscar no plenario do pasado decembro e, sobre todo, no proceso posterior ás eleccións internas de xaneiro, das que saíron os seus primeiros órganos de dirección: o Consello das Mareas e mais a coordinadora. A elección da coordinadora foi, precisamente, o proceso que transloceu os maiores disensos. Co pano de fondo da discrepancia sobre a incompatibilidade das portavocías institucionais coas orgánicas a votación definitiva de abril trouxo consigo unha mudanza de alianzas que derivou, finalmente, na conformación dunha coordinadora encabezada como voceiro quen fora candidato á Presidencia, Luís Villares, cos votos a prol de parte da súa lista -Máis Alá-, da candidatura que conformara unha parte de membros de Anova -Somos Quen- e mais de membros de Cerna, que conformaran a lista Queremos Participar. Naquela votación non participara unha ducia de integrantes da lista Máis Alá que consideraron rachadas as liñas esenciais dos documentos previamente aprobados. O proceso de elección da coordinadora tras o primeiro plenario foi fonte de tensións internas Con estes antecedentes a actual coordinadora defenderá ante o plenario uns documentos base cos que confrontarán os integrantes da organización que se agruparon baixo o lema Recuperar En Marea. Estas teses alternativas están apoiadas por, entre outros e a grandes trazos, o groso da Marea Atlántica, de Anova e doutras mareas locais, así como membros de Podemos e Esquerda Unida, se ben estes partidos xa confirmaron, como anticiparan, que non participan formalmente do proceso e apuntan á liberdade da súa militancia para acudir ou non a título individual. Estes textos recabaron tamén nos últimos días o apoio de Xosé Manuel Beiras. "Queremos recuperar En Marea e devolvela ao espírito do plenario de Vigo" e "non afastarnos do rumbo que nos marcamos entre todas", resumen na súa proposta. A definición do partido instrumental As teses da coordinadora definen En Marea como "movemento-instrumento eficaz que lidere, como primeira forza da oposición, a defensa dos dereitos da cidadanía" Para a actual coordinadora o plenario deste sábado debera servir para "facer de En Marea o movemento-instrumento eficaz que lidere, como primeira forza de oposición na Galiza, a defensa dos dereitos individuais e colectivos da cidadanía". Neste sentido, o texto defendido pola coodinadora subliña que a "fragmentación organizativa actual, consecuencia das tentativas frustradas de dar unha resposta eficaz ás demandas da cidadanía", debe avanzar cara a un escenario de "suma de forzas para os obxectivos comúns" que procure "unha ampla alianza de forzas de esquerda, nacionalistas e non nacionalistas" co "obxectivo de afastar do Goberno ao corrupto Partido Popular" tanto en Galicia como no Estado. Os textos críticos rexeitan "reducir En Marea a un partido clásico" e defíneno como un "suxeito político popular, democrático, radical, republicano e de ruptura" O texto defendido por Recuperar En Marea apela ao "manifesto dos alcaldes" de hai un ano para resaltar a necesidade de que en Marea sexa "un suxeito político popular, democrático, radical, republicano e de ruptura", un "proceso" que non sexa "reducido a un partido clásico de réxime, destinado a concorrer no mercado electoral para participarmos na alternancia regrada de inquilinos nas institucións" ou a unha "máquina electoral permanente". É neste punto no que este grupo advirte de que desbota a implantación de "ningunha clase de protocolo nin subalternización a respecto dun órgano de dirección", toda vez que "En Marea é un espazo suficientemente líquido e plural como para estar configurado" por persoas e organizacións "que participan do proceso sen condicións". Regulamentos e financiamento Neste contexto prevese que un dos puntos centrais do debate do plenario, que se estenderá durante toda a xornada, sexa o do regulamento que artelle o funcionamento interno de En Marea. A actual dirección e o texto crítico coinciden en definir a coordinadora como un órgano elixido polo consello -o máximo órgano entre plenarios- que ten un cometido de "coordinación e dirección política, mais en ningún caso de carácter xerárquico", pero discrepan na cuestión da portavocía. O grupo de Villares aposta por "unha persoa portavoz" que "exerce a máxima representación pública e as relacións políticas de En Marea, impulsa e coordina o traballo" e cuxo labor é complementado con viceportavocías. Mentres, a emenda do grupo crítico aposta por unha "voceiría colexiada, paritaria e rotatoria" formada por "dúas mulleres e un home". De saír adiante, a mudanza implicaría que Villares non sería o principal referente orgánico da formación. As dúas principais opcións que se votarán discrepan na figura da portavocía, no documento económico e no modelo de expansión territorial Vinculado coa cuestión das portavocías figura outro dos puntos de tensión das últimas semanas: o documento que rexerá o réxime económico de En Marea e dos seus representantes institucionais. A carta financeira que propón a coordinadora propón que os cargos electos cobren, "como máximo, 3 veces o salario mínimo interprofesional" con complementos por persoas ao cargo -medio SMI por persoa "ata un máximo de 2 salarios mínimos- e agrega que "estas condicións poderán ser revisadas no caso de lucro cesante que con carácter irreversible sufra a persoa electa" -unha rebaixa substancial de remuneración a respecto da profesión que desempeñase anteriormente- ou "por cargas económicas acreditadas". O texto alternativo, pola súa banda, promove que estas contías non poidan incrementarse "en ningún caso". Ambos textos coinciden, pola contra, en que os cargos internos non estarán remunerados, alén do persoal técnico e das compensacións por conceptos como desprazamentos. Outro dos puntos do debate no que se prevén diverxencias é o da expansión territorial de En Marea, unha das prioridades fixadas pola actual dirección, e a convivencia deste proceso coas mareas municipais que xa esisten. A coordinadora formula un protocolo para "promover mareas municipalistas" para formalizar estas constitucións e relacións, o cal, din os textos implica unha relación estable pero "en ningún caso" o órgano nacional sexa "tutelador" do local. Mentres, dende Recuperar En Marea promóvese un sistema baseado en "redes municipalistas autoxestionadas e autónomas" no que a "interacción entre a escala local e nacional" se producirá "en todo caso, a petición das redes municipalistas". En ambos textos permanecen, en calquera xeito, as estruturas municipais creadas antes que a propia En Marea. Documentos base da coordinadora de En Marea Documentos presentados por 'Recuperar En Marea'
NOS_35802
O recorte de 20% na xarda e de 24% no xurelo ao sur de Fisterra pon esta frota nunha situación "preocupante", recoñecen desde Acerga.
Os ministros de pesca da Unión Europea acadaron após 22 horas de negociación un acordo por unanimidade dos Totais admisíbeis de capturas (TAC) e cotas pesqueiras para 2018. Un acordo no que a frota galega, embora esquivar importantes recortes que se propoñían nun principio nalgunhas especies, sae obrigada a pescar menos. "O cerco é o que sae máis prexudicado da negociación", afirma en conversa con Sermos Galiza Andrés García, da asociación de armadores do cerco de Galiza. "Déixanos nunha situación preocupante". Sinala o recorte de 20% na xarda e do 24% no xurelo ao sur de Fisterra. Nesta última especie hai un aumento de 21% no cantábrico, mais para García vimos de tres anos máis que complicados nesa área e esta suba non compensa. Confía nunha negociación con Portugal para un bo reparto do xurelo para 2018. "Este ano, se non for por ese acordo con Portugal e unha redestribución teríamos que ter parado en outubro". E fica aínda por saber o que vai pasar coa sardiña. De aprobarse o feche da especie ou importantes recortes, os cerqueiros galegos (e non só eles, tamén outras artes menores) consideran que será o "desastre total". Na negociación en Bruxelas acordáronse recortes de 12% para pescada do sur mentres que rapante ten un aumento de 20% en augas ibéricas, e a raia en 15%.
PRAZA_12338
"Doing the Lesson" or "Doing Science": Argument in High School Genetics foi publicado en 1999 e é pioneiro dunha liña emerxente a principios da pasada década sobre argumentación e uso de probas. Aleixandre e Bugallo analizaron, xunto co británico Richard A. Duschl, analizaron a capacidade dos alumnos dun instituto galego para xerar ideas e argumentos científicos nunha clase centrada na xenética.
"Doing the Lesson" or "Doing Science": Argument in High School Genetics foi publicado en 1999 e é pioneiro dunha liña emerxente a principios da pasada década sobre argumentación e uso de probas. Aleixandre e Bugallo analizaron, xunto co profesor Richard A. Duschl (Penn State, EE.UU), analizaron a capacidade dos alumnos dun instituto galego para xerar ideas e argumentos científicos nunha aula centrada na xenética. As investigadoras observaron e gravaron os e as alumnas, mentres conversaban sobre os temas expostos na clase, distinguindo entre aqueles argumentos máis ligados con seguir ou facer a lección e aqueles outros máis creativos, relacionados co método científico. Segundo Aleixandre, a razón de que o artigo tivera tantas citacións (un cento na última década, un número elevadísimo para un texto de ciencias sociais) débese a que traballaron nun ámbito, o da argumentación, moi pouco tratado daquela, e polo tanto este texto se usou decote como referencia en investigacións posteriores. Todo isto levou o artigo a ser o texto español de investigación educativa máis citado dos publicados nas revistas do Social Sciences Citation Index (SSCI) na década 1998-2009. O ranking, que se pode consultar no número 250 de Revista Española de Pedagogía, foi elabadi polo profesor Antonio Fernández-Cano. Segundo o investigador da Universidade de Granada, nos dez anos estudados publicáronse 1.067 artigos españois, dos que o 71% procede das 15 universidades máis produtivas, entre as que figura a USC na 13 posición, con 30 artigos. Do total deses 1.067 só 74 teñen dez ou máis citas. "Doing the Lesson" or "Doing Science": Argument in High School Genetics (.pdf)
NOS_30618
A Asemblea Xeral das Nacións Unidas apoiou case por unanimidade a desaparición desta medida, contraria ao dereito internacional.
Dos 193 estados que compoñen as Nacións Unidas, só 2 se opuxeron esta terza feira (27 de outubro) ao levantamento do bloqueo imposto polos EUA a Cuba en 1962. Os EUA e o Estado de Israel rexeitaron dar o seu apoio á resolución presentada pola delegación cubana anualmente desde 1992 na que se reclama o fin desta medida. Porén, malia os achegamentos entre ambos os dous territorios nos últimos meses, mesmo coa re-abertura das súas respectivas embaixadas na Habana e Washington e a supresión de Cuba da listaxe de 'países que promocionan o terrorismo', a administración Obama non apoiou a proposta. No entanto, a votación foi histórica ao contar co voto favorábel de 191 estados e ningunha abstención o que reflectiu, máis unha vez, o rexeitamento internacional ao bloqueo. Entre eles os estados membros da UE ou o Vaticano. A resolución apela aos principios reitores do dereito internacional, o respecto á soberanía dos pobos e á igualdade entre estados. Aliás, denuncia o carácter extra-territorial do bloqueo e os prexuízos económicos e sociais que carrexa para a poboación da illa.
PRAZA_13852
Sociedad y barbarie de Ignácio Castro Rey é um insólito alegato de grande potência dialéctica e ousado propósito: a demoliçom de Marx e do seu legado. Um artefacto intelectual de fragmentaçom, potente e de recomendável leitura tanto pola desmesura do propósito como pola sua contundência. O opúsculo, panfleto ou como queiramos denominar ao breviário de apenas cem páginas e oitenta e cinco capítulos (¡!) de carácter aforístico, constitui um sólido contributo filosófico dedicado a socavar os alicerces do programa teórico-vital de Marx.
Sociedad y barbarie de Ignácio Castro Rey é um insólito alegato de grande potência dialéctica e ousado propósito: a demoliçom de Marx e do seu legado. Um artefacto intelectual de fragmentaçom, potente e de recomendável leitura tanto pola desmesura do propósito como pola sua contundência. O opúsculo, panfleto ou como queiramos denominar ao breviário de apenas cem páginas e oitenta e cinco capítulos (¡!) de carácter aforístico, constitui um sólido contributo filosófico dedicado a socavar os alicerces do programa teórico-vital de Marx. O opúsculo distribui-se em três secçons de títulos premonitórios do calado da incisom praticada no corpo teórico de Marx: A classe como princípio de individuaçom, Deus ressuscita na História, A morte e o trabalho da socializaçom, Modernizar: abolir a contradiçom. Umha obra intempestiva por propósito e circunstáncia que poderia ter comprazido a Nietzsche. Marx é, com todo direito, o vértice da ilustraçom europeia e do programa emancipatório implicado; um alegato também, em consequência, contra o discurso ilustrado. Os tempos em que o breviário de Castro vê a luz coincidem infelizmente com o orto dumha implosom capitalista (haverá mais, permaneçamos atentos) e os seus efeitos de devastaçom massiva ou colateral mensurável em termos de socializaçom da dor e a angústia geral. Marx assiste como testemunha muda e irónica, ausente talvez, ao estropício. A incomodidade e o desconcerto que parece impregnar a recepçom de Sociedad y barbarie é um sintoma eloquente. O prologuista do livro, Miguel Morey, introdutor de Foucault em Espanha e do qual poderíamos esperar a maior cumplicidade com o autor e a obra, que qualifica de indagaçom dos limites ontológicos do pensador do capital, manifesta um desconcertante silêncio valorativo. Haverá que esperar a conhecer opinions mais próximas ao pensador compostelano, talvez procedentes do anti filosofo lacaniano Jorge Alemán ou a do camarada em divagaçons filosóficas, o compostelano Javier Turnes. Gente revirada e desinibida experta em matéria de reflexom. O continente Marx é de tectónica vulcánica, desbordou por inércia própria os confins filosóficos hegelianos originários para invadir, atravês do pensamento económico británico, os mecanismos do devir histórico num desmesurado intento de legitimaçom mediante o critério de refutabilidade científica sobre o qual contamos hoje com abundante material de ajuizamento O continente Marx é de tectónica vulcánica, desbordou por inércia própria os confins filosóficos hegelianos originários para invadir, atravês do pensamento económico británico, os mecanismos do devir histórico num desmesurado intento de legitimaçom mediante o critério de refutabilidade científica sobre o qual contamos hoje com abundante material de ajuizamento. O veredicto da legitimidade das categorias marxistas parece adverso por mais que se pretenda ignorar por motivos de fidelidade ou conveniência. Quem si agita com indecorosa entusiasmo a evidência histórica em benefício próprio é a grei de arautos e pregoeiros do poder político e económico como prova irrefutável de vitória perpétua. Como se esta fosse possível. Longa e mal-avinda foi a descendência de Marx e mui diverso a quinhom que tirárom na herdança paterna. A linha genética original, a de primogenitura, deu lugar a umha estirpe cruel e bem conhecida: classe→partido→cúpula omnipotente→tirania armada. Nom é preciso pôr exemplos. Outra linha, deserdada desde o início por carência das qualidades requeridas para a supervivência, tentou honrar ao progenitor da revoluçom inexorável. Nela forma a abnegada multidom de militantes, artistas, intelectuais, conspiradores e perseguidos, pensadores de factoria e desterro, alvo fácil de cárcere e tortura que nom conseguiu torcer a sua vocaçom emancipatória e fraternal. Som os fracassados, tampouco é preciso citar nomes. Entre o sanedrim armado e a congregaçom de adeptos iluminados pola manhá fraternal que apontava, umha imensa grei de seres humanos ignorantes dos desígnios da história e da sua própria existência fôrom no entanto duramente castigados pola dor incompreensível que esta é capaz de segregar. Ignacio Castro (Compostela, 1952) -convertido por graça da dobra do livro em insólito coetáneo de Reveriano Soutullo (1884-1932)- é um filósofo que nom passa facilmente desapercebido. Redactor dum blogue de obrigada consulta para quem queira navegar polas rotas de umha ética e estética actual e sugestiva ou aproximar-se às suas obras mais recentes incluída Sociedad y barbarie. Ignácio Castro foi também em tempos mestre zen-novoneyrano num episódio de retirada in eremo que eu qualificaria de ascético. À maneira dum Hugo Mujica, Castro transmutou-se por um tempo em montaraz asceta de urzes, capudres e jançás. Do retiro nasceu um livro singular: Roxe de Sebes em memória do lugar onde destilou gota a gota haikus, cartas à família e reflexons dispersas. Corriam os meses que vam de Novembro de 1983 a Setembro de 1988. Subir ao monte foi sempre umha senda mística; como o ofício de jardinaria que Witgenstein adoptou um tempo. Dono dum pensamento fragméntário e oracular, aderente a umha imprecisa variante da esquerda situacionista e dos movimentos de denuncia da opresom bio-política sementados por Foucault, simpatizante dum anarquismo que reivindica a revolta persoal (Stirner) contra a convocatória revolucionária colectiva (Marx), todo isto, misturado com doses explícitas de humanismo e um mesurado laconismo tao, podemos encontrar em Castro Rey. Matar a Marx nom é tarefa fácil, habita entre nós, na nossa forma de mirar, de entender os acontecimentos Matar a Marx nom é tarefa fácil, habita entre nós, na nossa forma de mirar, de entender os acontecimentos. Antes de Nietzsche anunciar a morte de Deus por boca de um tolo já morrera o Gran Deus Pan. Cada dia duram menos os deuses: "Saudade eterna, que pouco duras" meditava Pessoa, o solitário. Talvez lhe chegou a hora a Marx. E contodo, como falar agora do que observamos a diário? Do antagonismo capital-trabalho por aludir à informaçom que inunda a imprensa diária e os informes do Instituto Nacional de Estatística. Que fazer agora com o tardo-capitalismo replicante e os capitalismos de Estado emergentes? O vazio que deixa o extinto profeta é inquietante e contodo, o informe forense de Ignácio Castro Rey parece hoje imprescindível, quer como sentença definitiva e inapelável, quer como interpelaçom pungente ao tempo que vivimos.
PRAZA_19440
O xulgado tomba a recusación dos Baltar contra a xuíza Eva Armesto, que regresa á instrución do caso. "O que se pretende é o afastamento da instrutora" para "substituír o seu imparcial criterio por outro que se axuste máis aos subxectivos intereses" dos acusados, di o auto
Non hai caso. A Audiencia Provincial de Ourense vén de tombar o intento de José Manuel Baltar e mais do seu pai e antecesor nas presidencias da Deputación e do PP provincial, José Luis Baltar, para afastar a xuíza Eva Armesto na causa no que ambos son investigados -antiga imputación- por presuntos delitos de suborno e tráfico de influencia e, no caso de Baltar fillo, tamén acoso sexual polo presunto ofrecemento dun emprego a cambio de sexo. Nun contundente auto ditado este xoves os xuíces da sección segunda da Audiencia ourensá desestima a recusación dos Baltar contra a xuíza e ademais condénaos a pagaren as costas o proceso. O barón do PP e o seu pai e antecesor tentan dende hai tempo paralizar ou, cando menos, dilatar a investigación contra eles. Tras non lograr a nulidade do proceso nin a consideración dos presuntos delitos como prescritos ambos procuraron forzar a retirada da xuíza Armesto alegando que a tamén titular do xulgado de violencia de xénero manifesta "inimizade ou interese en contra" do presidente da Deputación ou do PP". As acusacións, segundo o avogado de José Manuel Baltar, son "inconsistentes" e teñen unha base "ideolóxica" que provocan que a xuíza non sexa "imparcial". Estes argumentos, rexeitados tanto pola Fiscalía como pola acusación que exerce o partido Democracia Ourensana, chegaron á Audiencia e alí bateron coa oposición frontal dos maxistrados. O que os Baltar pretenden, di o auto, é "o afastamento da instrutora" para "substituír o seu imparcial criterio por outro que se axuste máis" aos seus "subxectivos intereses". Este propósito "supón a falla de todo rigor no recurso" e por estivo motivo debe ser rexeitado, explican. "O que se pretende é o afastamento da instrutora coa finalidade de substituír o seu imparcial criterio por outro que se axuste máis aos subxectivos intereses" dos Baltar, di o auto da Audiencia A recusación estivo dende a súa orixe "chamada ao fracaso", sinala o auto, porque os avogados "nin sequera especifican en que radica obxectiva ou subxectivamente" a suposta "parcialidade" da xuíza. Isto é, "en que consiste o seu especial interese, a súa amizade ou inimizade" ou a "cal das partes" atinxe. "Mal pode ser acreditada" a circunstancia alegada por Baltar pai e filla. As acusacións contra a xuíza Armesto son xenéricas e o que "cuestionan" non é a súa "imparcialidade", senón "as súas decisións xurisdiccionais" que, lembra o auto, se fosen "desacertadas" poderían ser "corrixidas" polas canles ordinarias. Con esta decisión, contra a que non cabe recurso, a instrutora regresa a un caso do que se afastou mentres durou o trámite da recusación. Neste intervalo fíxose cargo del o titular do xulgado número 2 de Ourense, Luis Doval, se ben na práctica o asunto estivo parado. Daquela, a xuíza continuará a investigar para coñecer se, efectivamente, o ofrecemento de traballo a cambio de sexo a unha muller -tamén investigada na causa- por parte de José Manuel Baltar cando a Deputación aínda estaba presidida polo seu pai foi un acto constitutivo de delito. Dende que este caso se puxo en marcha Baltar fillo foi reelixido como líder do PP de Ourense e durante a campaña das eleccións galegas compartiu numerosos actos con Alberto Núñez Feijóo e mais Mariano Rajoy. Previamente a dirección do PPdeG xa suxerira que unicamente esixiría responsabilidades políticas ao seu barón ourensán se chega a ser condenado.
NOS_10360
Coa súa cadeliña Troika como protagonista, Borxa Castro conseguiu ser o gañador indiscutido do "Sermos no obxectivo". Recibirá, debalde, unha subscrición gratuíta ao semanario ao longo dun ano.
Hai cousa dun mes botamos a andar na nosa páxina de facebook o concurso "Sermos no obxectivo", con motivo da saída aos quiosques do noso número 100. Queriamos fotos que amosaran o día a día das e dos nosos lectores co semanario e Borxa Castro, un mozo de 27 anos residente en Pontevedra, achegounos unha imaxe tenra e peculiar: a súa cadeliña Troika e mais el semellando ler con plena concentración o xornal. Vane Lains fíxose co segundo premio, cunha foto lendo Sermos coa torre Eiffel de fondo, e Alfonso Lains co terceiro, coa imaxe dun michiño lector. -Como soubeches do concurso "Sermos no obxectivo? -Habitualmente sigo Sermos pola rede, pola súa web e polo facebook, e, cando a economía o pemite, compro o semanario. Polo uso das redes sociais foi como coñecín o concurso. -Es lector habitual de Sermos, entón… -Eu adoito repasar as novas todos os días, e Sermos é un dos xornais que teño como lectura habitual. -Ha moito que segues Sermos? -Xa dende que naceu o proxecto interesoume, dada a falta de medios en galego. -Que é o que che achega fronte a outros medios? -O que me achega, que non me achegan os medios convencionais, é o uso do galego. Poder ler un xornal que está feito na miña lingua e no noso país, mirando o noso país, para min é algo importante, que non fan outros medios. Algo que considero moi importante é a voz que lle dá aos movementos sociais neste país, que son fundamentais para a construción nacional. Para que o xornal siga medrando, eu creo que habería que conectalo con sectores educativos, coa universidade, coa mocidade -Que é o que te animou a dar o paso a participar no concurso? Es afeccionado á fotografía? -A min gústame a fotografía. Ademais intento, cada vez que podo, comprar o Sermos. Animeime a participar por varias razóns. A primeira, para poder optar ao premio. E ademais, por axudar a darlle difusión ao proxecto. Pareceume, ademais, un concurso bastante orixinal. -E fixéchelo con Troika, a túa cadeliña… -Sempre nos dixeron que era moi fotoxénica. A estampa da foto é a que se adoita dar habitualmente na casa. A cadela ao lado do xornal, mentres eu leo e analizo as novas. Moitas veces chega a miña compañeira á casa e ve a estampa: semella que os dous estamos sentados lendo o xornal concentrados. -E contabas ter o éxito que tiveches? -A verdade é que non. Pensei que igual o resto dos participantes se implicarían máis á hora de buscar apoios. Non agardaba que recibira tantos votos. -E ti que estratexias utilizaches para buscar apoios na rede? -Compartín a foto no meu perfil en facebook, os amigos axudaron a difundilo, e xunto cunha man que botou a familia… foi a estratexia que usei. Tiña pensado unha estratexia de difusión pero ao final non fixo falta. De todos modos, foi mais ben grazas ao apoio de xente que non coñecía de nada que conseguín ese éxito. Foi algo que me sorprendeu. Houbo xente tamén coa que falei e que non coñecía o xornal, así que foi unha maneira de conseguir que esa xente soubera de Sermos. -Gañaches, ademais, con moita diferenza con respecto ao resto dos participantes… -Si, fun o primeiro sorprendido, e creo que tivo moito que ver o uso dun animaliño. -Animarías a Sermos a que volvera con algunha outra iniciativa similar? Gustaríache achegar algunha idea ao respecto? -Eu creo que, cara á difusión do xornal, ideas como esta están moi ben, porque implican as persoas como suxeito principal da actividade, e provoca unha maior conexión entre o xornal e a persoa. Para que o xornal siga medrando, eu creo que habería que conectalo con sectores educativos, coa universidade, coa mocidade, porque a mocidade sempre vai ser o futuro, e afondar no pensamento crítico e seguir sendo altofalante dos movementos sociais.Traballar coa mocidade é fundamental porque somos, quizais, os que estamos máis desconectados. -Ti formas parte desa mocidade, dese perfil de xente nova moi conectada coas redes sociais. A aposta polas redes sociais é importante, para un medio como Sermos, para conectar cunha xeración como a túa… -A xente da miña idade é moi activa nas redes sociais e na adquisición de información mediante internet. Reforzar a presenza dos medios nas redes sociais sería importante porque, para ben ou para mal, para a xente da miña idade é o principal portal que usan para adquirir información.
NOS_33284
O conselleiro de Sanidade avanza os cambios acordados no mapa de restricións tras a reunión semanal do Comité Clínico e confirma que a semana que vén comezará a vacinación dos menores de entre 14 e 16 anos.
A situación epidemiolóxica mellora na Galiza. Máis os datos, especialmente de hospitalización, convidan a "non confiarse", advertiu o conselleiro de Sanidade tras a reunión do comité de expertos que asesora a Xunta sobre a pandemia. Julio García Comesaña referiuse a un "descenso estábel" da incidencia no conxunto do territorio que, malia todo, non se advirte no grupo de idade de máis de 80 anos. Un dato "preocupante" ao que suma outra constatación: os hospitais galegos non acaban de confirmar o alivio da presión asistencial nas unidades de coidados intensivos. Así, referiuse ao perfil "demoledor" dos pacientes ingresados en UCI. O máis novo conta só 16 anos e o doente de máis idade ten 78. Entremedias, hai doentes críticos "de 20, 23, 28, 30, 31 e 35 anos" salientou, antes de volver situar o foco no control do virus e no cumprimento das medidas de prevención. Certificado Covid Tras analizar as cifras máis alarmantes, García Comesaña refeiruse á negativa do TSXG de autorizar o certificado Covid para acceder á hostalaría e ao lecer nocturno. Á espera de coñecer os argumentos do alto tribunal para rexeitar a solicitude da Xunta da Galiza, Sanidade anunciou un axuste da capacidade de bares, restaurantes e discotecas tras reducir a súa capacidade esta mesma semana. Unha vez o TSXG faga público o auto que xustifica a súa situación, García Comesaña avanzou que estudarán novas alternativas, sen precisar ningunha medida concreta. Mudanzas na capacidade da hostalaría e ocio nocturno Os "axustes" anunciados hoxe por Sanidade amplían a cabida dos estabelecementos en deternimandos supostos. Así, no nivel máximo, a hostalaría ficará fechada e as terrazas funcionarán a 50% da súa capacidade. No nivel alto, os locais seguirán traballando a 30% no interior e amplíase a capacidade das terrazas a 75%. No nivel medio, os locais funcionarán a 50% no interior e a 100% nas terrazas. No nivel medio-baixo: a capacidade de bares e restaurantes amplíase a 75% no interior e a 100% no exterior. Os estabelecementos de lecer nocturno seguirán fechados nos niveis máximo e alto de restricións, mais nas terrazas poderán funcionar a 50% nos concellos con máximas limitacións e a 75% nos municipios en nivel alto. No nivel medio aumenta a capacidade: pasa de 30 a 50% no interior e queda fixada en 75% nas terrazas. No nivel medio-baixo, pubs e discotecas poderán abrir a 50% da súa cabida no interior e ocupar 100% dos espazos exteriores. Cambios no mapa de restricións Tras axustar as taxas de incidencia, a revisión da situación epidemiolóxica dos concellos non deixa ningunha localidade galega no nivel máximo. No nivel alto ficarán os concellos de Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Muxía, A Coruña, Arteixo, Betanzos, Cee, Miño, Sada, Camariñas, Vimianzo, Cabana de Bergantiños, Pontedeume, Cabanas, Ares, Rábade, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Grove, Meis, Bueu, Ponte Caldelas, Redondela, Tui, Vigo, Arbo, As Neves, Nigrán, Tomiño, O Rosal, Ponteareas e A Cañiza. No nivel medio: Zas, Coiros, Corcubión, Carballo, Carral, Cerceda, Abegondo, Coristanco, Curtis, Ponteceso, Oza-Cesuras, Laracha, Cambre, Culleredo, Oleiros, Cariño, Fene, Narón, Neda, Ferrol, Ames, Ribeira, Padrón, Rianxo, Santiago de Compostela, Boiro, Silleda, Touro, Santa Comba, Trazo, Outeiro de Rei, Chantada, Lugo, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Sarria, Monterroso, Barreiros, Ribadeo, Viveiro, Avión, Allariz, Xinzo de Limia, A Veiga, Ourense, O Carballiño, Coles, Verín, A Lama, Portas, Cambados, Marín, Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa, Catoira, Caldas de Reis, Pontevedra, Sanxenxo, Poio, Soutomaior, Gondomar, Salvaterra do Miño, Cangas, Moaña, Mos, Salceda de Caselas, Mondariz, Pazos de Borbén, Baiona e O Porriño. Vacinación Sobre o avance da campaña de vacinación, García Comesaña lembrou que esta semana están a inocular a poboación menor de 20 anos ademais a de completar a repesca de maiores de 40 anos. Os esforzos céntranse, tamén, na vacinación de mulleres embarazadas e de persoas en risco de exclusión. De cara aos próximos días, anunciou o inicio da vacinación de menores de entre 14 e 16 anos. Segundo informou, serán citados mediante unha mensaxe SMS co fin de encarreirar un regreso seguro ás aulas. Doutra banda, Sanidade confirmou a predominancia da variante Delta do SARS-CoV-2 na Galiza fronte á Alfa, maioritaria até hai poucas semans. Neste sentido. Sanidade Pública confirma unha prevalencia da Delta de 97%.
NOS_27833
O mestre forxador de Compostela, Santiago Martínez Otero, 'Chago', fíxose co Premio Richard H. Driehaus das Artes da Construción 2021. Este certame estatal concede, na categoría de traballos tradicionais do metal e do vidro, ao responsábel de Forxa Chago o galardón pola súa traxectoria, na que se atopan importantes traballos de restauración realizados en edificios como a catedral de Santiago ou a de Tui.
-Como nace a súa inquedanza pola forxa?Cando era pequeno e ía á escola do Castiñeiriño, sempre miraba para o taller dun ferreiro que había polo camiño. Fun traballando de varias cousas e cando abriu a Escola Taller de Santiago apunteime de cabeza. Pasei por varios talleres e empresas e, cando un compañeiro ía plantar o seu negocio pola mala situación que estaba a pasar, animeime, collino con el e fomos aumentando a clientela e tendo cada vez máis traballo até o día de hoxe. -É vostede un referente en traballos de restauración do metal. Cales foron os seus primeiros proxectos?Sempre me interesou a restauración. Indaguei moito sobre as técnicas utilizadas antigamente para crear as pezas e así poder respectalas e utilizalas nos traballos correspondentes. O primeiro traballo de restauración que fixen foi na fachada do edificio que hoxe é o bar Riquela. A partir de aí, desenvolvemos proxectos na Colexiata de Sar e despois xa foi un sen parar, unha peza tras outra até a catedral de Santiago. Mais isto foi un proceso longo, de anos, traballando por todos os recunchos de Santiago, facendo mil cousas. Non hai rúa en Compostela, da zona vella ou da nova, que se libre de eu andar aí coa zoca. -Como foi traballar na restauración da catedral?Foi un dos traballos que máis respecto me deu realizar. Poder obrar na fachada, as crucetas, bólas, o Pórtico, as reixas, a Porta Santa, o ciborio ou os eixos da zona norte e sur da catedral, unhas estruturas metálicas enormes que van por dentro das pedras e que non se ven... deron o seu traballo. Ao non contar cun plano, tes que ir debullando con moito detalle cada peza para interpretar e entender o por que da construción desa maneira. Ás veces parece que non ten lóxica ningunha, mais co tempo de estudo decátaste de que teñen toda a do mundo. As pezas que tivemos que estudar con moito detalle foron as da reixa da fachada principal da catedral, onde atopamos moitas pezas alteradas, que non estaban no seu estado orixinal, e nós non podemos inventar a peza porque sería falso historicamente, sempre usamos a técnica propia. Por sorte, apreciábanse as técnicas e conseguimos recuperalas. -O seu traballo de restauración no patrimonio galego foi unha das razóns polas que se lle concedeu este premio. Que sentiu cando llo comunicaron? Moita satisfacción e orgullo, mais sobre todo responsabilidade polas características do premio. Facerse un nome é unha cousa, pero mantelo é outra. Sinto que este galardón, ao estar entre un dos maiores recoñecemos que o sector da arquitectura e patrimonio pode dar, obrígame a ser moito máis pulcro e perfeccionista no traballo que está por vir. -Que traballo de restauración lle gustaría realizar que aínda non fixo? Espero algún día poder intervir, aínda que só sexa nunha peza pequena, en calquera das obras do grande Antoni Gaudí e do seu discípulo Josep María Jujol. -No seu taller tamén forma novos ferreiros. Que futuro ve vostede que lle depara aos forxadores? Poderíase dicir que hai futuro, porque hai moito patrimonio que manter e salvar e moita demanda de deseños non industriais. No caso das novas xeracións de forxadores, hai que ter en conta que como mínimo precisas tres anos para formar a unha persoa, investindo cartos que despois non sabes se se van recuperar e que o Estado non axuda, malia estar realizando traballos de ensinanza.
NOS_2339
Centos de persoas despiden en Teo a Avelino Pousa Antelo, o último loitador do Partido Galeguista
E aínda así, coa fatiga das batallas, venceremosco orgullo da lingua por bandeirapois é nosa, e só nosa, a nosa Terra Os versos, tirados do poema 'Alén do teu recordo', que Mini e Mero compuxeron mesturando palabras deles con outras escritas por Marica Campo, resoaron con forza esta terza feira no local sociocultural de Teo. É posíbel que nunca tanta xente visen aquelas paredes. Era a hora de despedir a Avelino Pousa Antelo, o Lucho do Peto, como lle dicían as amizades por un peto das ánimas que había na súa casa cando era novo. Centos e centos de persoas desprazáronse até o municipio teense para lle daren o derradeiro adeus ao último loitador do Partido Galeguista, cuxo cadaleito, cuberto cunha bandeira galega, ficaba custodiado por outras dúas que lucían un crespón negro en sinal de loito. Pousa Antelo (Barcala, A Baña, 1914) non ouviu falar da nosa historia, viviuna. A proclamación da república collérao estudando sexto curso no seminario en Compostela, e púxoo contra as cordas da vocación. Dicía que daquela rezaba todos os días. Mais tardou só catro anos en mudar os ideais, após escoitar a voz en off de Castelao nun acto de Promoción Gallega. "Por el fíxenme galeguista de por vida". Ingresou no Partido Galeguista, fixo parte activa da campaña en prol do Estatuto do 36 subido nun camión do lixo do concello de Santiago, xogoulla ao franquismo mantendo viva a nosa lingua nas escolas do rural polas que pasou --era mestre-- e o seu foi un dos nomes destacados do cooperativismo agrario. Aos 98 anos gozaba dunha memoria envexábel que o mantivo fiel aos ideais polos que loitou toda a vida. Foi a eses ideais aos que cantaron Mini e Mero cun poema copiado dos ollos, como dixo o propio Mero, eses ollos onde procurou unha emoción esvaradía, a esperanza. A esperanza de manter vivo o espírito de loita que herdamos de Pousa Antelo, "un soñador de Galiza para os nosos netos", segundo a descrición que lle dedicou David Otero desde a entidade que presidía, a Fundación Castelao. Veciñ@s, compañeir@s, amig@s, persoeir@s do mundo da cultura, da fundación Rosalía e unha nutrida representación da Real Academia Galega --co presidente Méndez Ferrín á cabeza-- e do BNG --entre outr@s Ana Pontón, Bieito Lobeira, Olaia Fernández Dávila, Carme Adán e Francisco Jorquera-- quixéronse achegar até a familia para lles transmitiren as súas condolencias. Tamén, Neira Vilas estivo en Teo, para dar o derradeiro adeus a un irmán de ideais na defensa da Galiza. "Fuches quen de contaxiarnos o amor polo noso pobo", clamou un amigo persoal de Pousa Antelo após recitar un poema. Coas bágoas mollando algunhas facianas chegaron as palabras de Mini e Mero: "Non morre quen ama o seu país", subliñaron. Concluíndo coa quenda de intervencións falou Martiño Noriega, alcalde de Teo. Visibelmente emocionado agradeceu a quen era fillo adoptivo do lugar desde 2007 que non renunciase á memoria "para gañar o futuro" e, antes de berrar por unha Galiza ceibe, lembrou ao galeguista que "es patrimonio de todo o pobo". O auditorio en pé cantou a unha voz o himno galego. Unha vaga de prolongados aplausos acompañou o cadaleito de Pousa Antelo no derradeiro camiño que emprendeu. Boa viaxe, Lucho.
NOS_35361
Un documento da Coordenadora para a prevención e denuncia da tortura advirte da persistencia da práctica. A CPDT - da que fan parte organismos galegos como Esculca, PreS.O.S e Xustiza e Sociedade- sinala Galiza é o cuarto territorio do estado con máis denuncias documentadas de torturas.
Un mínimo de 11 persoas sofreron torturas en Galiza durante 2016 en 9 situacións, cada unha delas afectando a unha ou máis persoas. Son dados do informe 'A Tortura no Estado español' que elabora a CPDT, Coordenadora para a prevención e denuncia da tortura, unha plataforma que agrupa por volta de 50 entidades e colectivos, entre eles os galegos Esculca, PreS.O.S Galiza e 'Xustiza e Sociedade'. A nivel de Estado, o informe fala dun mínimo de 259 persoas que sufriron estas prácticas no ano pasado. Este mesmo organismo recollía no seu informe de 2015 que en Galiza se deran 12 destas situacións, que afectaran 23 persoas. Unha redución que, indican, non se debe tanto á redución destas prácticas como a un "aumento da impunidade e a opacidade". Galiza é o cuarto territorio do Estado onde máis situacións de tortura se recollen neste documento, nove. Só Madrid (25), Catalunya (24) e Andalucía (18) rexistraron un maior número. A Coordenadora lembra que no informe non se inclúen todas as denuncias de tortura e maos tratos recibidas. Varias ficaron fóra do relatorio por petición das propias persoas afectadas e outras porque a información non puido ser contrastada. Aliás, un número importante destas situacións non sequer é denunciada, indica a CPDT. As torturas e maos tratos producíronse sobre persoas que estaban baixo custodia de funcionarios, en comisarías ou prisións, ou durante actuacións das Forzas de seguridade do Estado en diferentes situacións (por exemplo, en mobilizacións). Mortes baixo custidia policial En 2016 houbo 34 persoas mortas baixo custodia policial no Estado español. O númetro ascende a 650 en tre os anos 2001 e 2016.
NOS_17295
"Pode o corpo ser vencido, pode o dereito ser torto/ mais o lume que alampea xamais o veredes morto", deixou escrito o poeta no seu "Notas necrolóxicas". Como cada ano polo seu cabodano, esta sexta 31 de agosto a asociación Arraianos faille unha homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, coincidindo co ano en que se conmemora o seu centenario.
Na súa Celanova natal, Celso Emilio Ferreiro será nomeado Arraiano universal. A asociación que organiza esta homenaxe realiza un roteiro poético e musical na mañá desta sexta, que rematará no cemiterio de San Breixo, cunha ofrenda floral. Alí será nomeado o profesor Xesús Alonso Montero como Arraiano Maior da Raia Seca do 2012, polos seus traballos en materia de sociolingüística e literatura galega. Entregarallo o Arraiano Maior do ano pasado, o escritor Bento da Cruz. No ano 2010 foi o Padre Fontes, e en 2009, o primeiro ano que se realizou este nomeamento, Xosé Luís Méndez Ferrín. Xa pola tarde, haberá unha festa de fin de rodaxe do documental biográfico que a asociación está a preparar sobre o poeta. Dirixido por Aser Álvarez, o documental presentarase a finais de ano, e percorre lugares de Celanova como a Taberna do Galo ou os xardíns de Curros Enríquez. Ás cinco, o claustro barroco do mosteiro celanovés acollerá de novo música e poesía. "Somos uns afortunados por ter persoas tan significativas na nosa terra", din Arraianos no seu blog. "Eles son eses faros que nos permiten descubrir novas sendas (...) Eles son luz e semente nova, que nos permite avanzar e interpretar a realidade de forma dinámica. Unhas veces con palabras e obras, e outras con silencios estanos a indicar que é tempo de sementeira, que é tempo de sementar, que é tempo de innovación, que é tempo crear, de innovar e de pórse a andar".
NOS_121
As mobilizacións sociais na provincia de Colón (norte de Panamá) obrigan ao goberno a derrogar a lei pola cal autorizaban a venda de terras públicas a empresas estranxeiras.
As protestas nas rúas levan ao presidente de Panamá, Ricardo Martinelli, a derrogar a Lei 72 coa que se aprobaba a venda de terreos públicos situados na zona franca da provincia panameña de Colón. Após sete días de mobilizacións --e oito da aprobación da norma--, en que milleiros de manifestantes exixiron a supresión da mesma, o executivo do país vese obrigado a derrogar a lei. O coordinador xeral do Frente Amplio de Colón (FAC) --organización convocante das mobilizacións-- asegurou que a lei promovida polo goberno de Martinelli "permite ás empresas estranxeiras a compra de terreos que actualmente alquilan para operar en chan panameño". @s manifestantes denunciaron que o goberno pretendía apropiarse "destes patrimonios que son de todos os panameños", afirmaban desde o FAC, pois suporían uns ingresos de dous mil millóns de dólares nos vindeiros 20 anos para as arcas do Estado. O executivo defendía o mantemento da norma argüíndo que esta melloraría a economía dunha provincia en que o 45% da poboación vive baixo o limiar da pobreza. A resposta social fai mudar ao gobernoApós unha folga xeral de 48 horas e dunha forte resistencia nas rúas --que rematou con numerosas persoas detidas, a intervención con armas de fogo do exército e a declaración do toque de queda-- o presidente de Panamá, procurou unha negociación en que propuña a supresión da disposición concreta en que se recollía a venda das terras públicas. Porén, o FAC e as persoas manifestantes condicionaron calquera negociación á derrogación completa da norma. O mandatario panameño, que se atopaba de visita institucional en Xapón e Viet-Nam, deu orde de derrogar a lei desde o estranxeiro e iniciou os trámites para tal fin nada máis arrivar en Panamá, verbo da presión social que exixía o seu regreso ao país. Neste senso, e sen emitir ningún comunicado, Ricardo Martinelli, asinou esta segunda feira xunto o ministro de presidencia, Roberto Henríquez, e o presidente da Asemblea Nacional, Sergio Gálvez. a sanción mediante a cal se derroga a polémica norma. Desde o FAC, defenden o inicio dun proceso de negociación despois da supresión da lei.
PRAZA_13687
A Gentalha do Pichel elabora un documental para reivindicar "as denominacións tradicionais dos días da semana", que aínda sobreviven entre as persoas de idade avanzada en diversas comarcas do país
"Cuarta feira é o mércores e o xoves é a quinta feira... ou era". Unha muller de avanzada idade reflexiona deste xeito en conversa con membros da comisión de defensa da lingua da Gentalha do Pichel, a asociación cultural compostelá que vén de editar Quarta-feira logo vem, un filme documental cun obxectivo esencial: demostrar que as "formas tradicionais dos días da semana, construídas coa palabra 'feira" non son unha importación chegada a Galicia do outro lado da raia portuguesa ou, simplemente un invento. Ben ao contrario, eran de uso común no país ata ao século pasado e "continúan vivas do norte ao sur da Galiza, aínda que só entre as persoas máis vellas das nosas comarcas". "Só nos últimos anos foron introducidas a través do ensino e da televisión unhas novas denominacións, semellantes ás do castelán" Nos seus encontros cos maiores de diversos puntos da xeografía galega os membros da Gentalha comprobaron que mesmo a copla que dá título ao filme é ben recoñecida polas persoas entrevistas, mesmo por "moitas que xa deixaron de usar esta fórmulas no día a día". Así, por exemplo, na Baixa Limia este colectivo cultural puido recoller "testemuños do uso vivo da sexta-feira" e, case na banda oposta do mapa, comprobaron que "as persoas máis vellas aínda teñen memoria do uso da cuarta feira", á que algunhas delas se refiren como "carta". Do mesmo xeito, en "moitas aldeas da área de Compostela" acreditaron a pervivencia ou, cando menos, a lembranza da "cuarta, quinta e sexta feira". "O obxectivo do filme é mostrar como nestas comarcas as persoas pasaron de quinta feira a jueves", explican os autores do documental. "Só nos últimos anos -abondan- foron introducidas a través do ensino e da televisión unhas novas denominacións, semellantes ás do castelán e pouco abonadas no galego tradicional", isto é, o calendario formado por "luns, martes, mércores, xoves, venres...". As causas da perda de uso das formas tradicionais para nomear os días fican reflectidas nas verbas dos e das protagonistas do documental. "Os mestres non nos deixaban repetir o que dicían os avós", explica un dos entrevistados, que reproduce as advertencias dun dos seus docentes: "iso non vale para nada". "Cando fomos á escola fomos aprendendo a non dicir esas cousas", engade unha das veciñas consultadas. Como consecuencia inmediata "non llelas ensinamos aos nosos fillos". A esas circunstancias, detallan, engádense outras como que "os que foron para Madrid, Castela e por aí" volveron falando "máis castelán". "O que fala algo fino, ao mellor di jueves", ironiza unha anciá. En calquera caso, conclúe un residente no entorno de Compostela, "se vas a Portugal e falas o galego, enténdente perfectamente".
NOS_22607
As dúas confederacións de ANPA (Asociacións de Nais e Pais) e os sindicatos do estudantado, Erguer e Anega, arrouparon esta mañá as organizacións sindicais que convocan a folga no ensino público e que esta mañá se manifestaron diante da Consellaría de Educación en Compostela para reinvidicar unha serie de medidas de cara ao inicio do novo curso.
As organizacións convocan folga os días 10 e 16 de setembro, pola coincidencia co inicio de curso nas etapas de Infantil, Primaria e Educación Especial, e nas de Secundaria, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial, respectivamente. Tal e como se recolle no manifesto que leron diante da Consellaría, "o ensino non pode parar por unha crise sanitaria tan duradeira como a que estamos a vivir, terase que readaptar, reorganizar, adquirir outras competencias e deseñar doutra maneira, pero ten que continuar". No mesmo manifesto engaden, en relación cos protocolos sanitarios divulgados desde a Xunta a finais do pasado mes, que as súas instrucións "non só son ineficaces senón mesmo perigosas para a saúde do alumnado, o profesorado e o persoal non docente galego, o que por extensión implica sociedade no seu conxunto", afirman. Representantes das familias e do alumnado puxéronlle deberes ao "novo" conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que, segundo afirman os sindicaos, "coñece ben o seu departamento e debería empezar por recibir todas as organizacións representativas da comunidade educativa para rectificar o nefasto protocolo que levou a convocatoria desta folga". Entre as principais reivindicacións recollidas no manifesto, reclaman que se eliminen as desigualdades entre Primaria e Secundaria e que "o metro e medio de distancia de seguridade se implante para todo o alumnado galego, garantindo así unha seguridade obxectiva que exceda o concepto de grupo de convivencia estábel". Segundo as organizacións asinantes, esta distancia "debe aplicarse tamén nos servizos complementarios de transporte, de comedores, de madrugadores e de actividades de conciliación que se desenvolvan ao abeiro da actividade educativa", todo isto co obxectivo de "garantir a protección cos criterios obxectivos que marcan as autoridades sanitarias". O manifesto contempla unha mención especial para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, xa que se trata de persoas "que levan seis meses totalmente desatendidas e que deben asistirse de forma prioritaria e con todos os recursos necesarios". Referíndose ao mesmo tipo de alumnado, o manifesto exixe "a contratación de máis profesorado "e reclama "máis efectivos de limpeza para que sexa realmente persoal cualificado o que realice estas funcións, así como a dotación de partidas específicas para que os centros poidan facer fronte a todos os gastos derivados da compra de material de hixiene e protección e, nomeadamente, das máscaras de alumnado e profesorado". Os sindicatos, promotores do manifesto e das folgas das vindeiras xornadas, lembraron que a "Administración educativa é a última e única responsábel de todo o que ocorra nos centros educativos". Para engadir que "debe ser quen avale os plans de adaptación, así como os plans de continxencia, e tamén quen deseñe e garanta os anexos protocolarios das actividades complementares que se realicen desde as ANPA ou os concellos", recalcan o comunicado.
NOS_27902
"É fundamental que os concellos manteñan as medidas de aforro e continúen cos labores de concienciación á poboación cara ao uso racional e responsábel da auga", sinala o presidente da Confederación Hidrográfica, José Antonio Quiroga.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco), informou esta segunda feira de que o ano hidrolóxico 2021-2022, que transcorre desde o 1 de outubro de 2021 até o 30 de setembro— concluíu como o segundo máis seco da serie histórica, só por detrás do ano 2016-17. "Estamos ante unha situación de seca prolongada xeneralizada na demarcación debido á falta de precipitacións; mensualmente poderiamos destacar o mes de xuño como húmido; outubro e agosto como secos; e novembro, xaneiro, febreiro, abril, maio e xullo como moi secos", explicou o presidente da institución, José Antonio Quiroga. A precipitación acumulada media foi de 694,6 l/m2, isto é, 39% por baixo da media histórica. No ano hidrolóxico anterior, 2020-21, rexistrouse unha precipitación de 1.159,4 l/m2, 2 % por riba da media e até 67% por riba do ano 2021-22. Horacio García, experto en restauración e xeomorfoloxía fluvial: "A auga é un recurso esencial, finito e moi sensíbel" Un ano "extremadamente seco" Analizando os resultados en cada unha das unidades territoriais nas que se divide a demarcación, o ano hidrolóxico 2021-22 fica como "extremadamente seco", precipitación por baixo do mínimo da serie histórica, nas unidades Miño Baixo e Limia, e "moi seco" no resto —Miño Alto, Sil Superior e Inferior e Cabe—. En relación cos encoros da demarcación, pecharon o ano hidrolóxico a 43,73% da súa capacidade máxima. Este volume é 0,88% maior que a cantidade de auga embalsada hai un ano, 42,86%, e 10,81% menor que a enchida media histórica nestas datas do ano, 54,54%. Comeza unha vendima marcada pola seca Medidas de aforro E no que atinxe aos caudais circulantes ao remate do ano hidrolóxico, 30 de setembro, áchanse de media 28,4% por baixo da media histórica. "Tendo en conta estes datos e que as predicións a medio prazo fan prever que a situación de seca persiste, é fundamental que os concellos manteñan as medidas de aforro e continúen cos labores de concienciación á poboación cara ao uso racional e responsábel da auga, lembrándolles que estamos ante un recurso imprescindíbel, limitado e dependente das condicións climáticas", concluíu o presidente da CHMS.
NOS_52402
Responsábel dos anos dourados do Olivo de Vigo
O fútbol galego, e en especial o feminino, están de loito logo do falecemento do que fora un dos seus grandes impulsores no sur do país, Juan Carlos Padín. Home que apostou decididamente p0la integración das rapazas no deporte rei, na súa condición de presidente da Federación de Peñas Recreativas O Olivo decidiu que as mulleres tiñan que xogar un papel tan importante como o dos seus compañeiros na agrupación. A partir de aí naceu unha grande historia, a do primeiro equipo vigués en xogar na máxima categoría do fútbol feminino a nivel estatal. O Olivo converteuse así nun referente do fútbol feminino galego e, grazas a aquela aposta de Juan Carlos Padín, hoxe a Galiza conta cun número de equipos e de licenzas femininas moi superior ao dos tempos de gloria deste histórico equipo desaparecido no ano 2018. Anaïr Lomba, 'Lombi', ex xogadora profesional en equipos do calibre de Barcelona, Espanyol ou Valencia, pero que militou durante seis tempadas na disciplina do Olivo, realizou un pequeno tributo ao desaparecido Juan Carlos Padín na súa conta de Twitter destacando que "O Olivo sempre foi el. Por iso o equipo desapareceu cando el se fixo a un lado". "Foi máis que un avó para min, e hoxe leva con el todo o que quedaba dese verde (en referencia á cor da camisola do Oliva). DEP, Padincho. Quérote, avó", continuaba. Institucións como a Federación Galega de Fútbol ou a Secretaría Xeral para o Deporte tamén realizaron o seu particular tributo a Padín, definíndoo como "un home entregado, traballador e apaixonado polo deporte galego que sempre daba o 100%".
NOS_47634
As malas condicións climatolóxicas estarían a dificultar os traballos de busca e salvamento, no que participan efectivos de Canadá e pesqueiros que se atopaban na zona do naufraxio.
Familiares e achegados da tripulación do pesqueiro 'Vila de Pitanxo', naufragado a 450 quilómetros da costa do Canadá, comezaron a desprazarse até as instalacións da armadora Nores, no concello de Marín, para informarse sobre sobre a situación actual. Polo de agora, coñécense poucas noticias do ocorrido na costa de Terranova. O medo é a incerteza son os sentimentos predominantes entre as persoas que se achegan á armadora, á espera que os servizos de rescate de Canadá envíen novas noticias. A esta hora segue a busca de dezasete dos vinte e catro mariñeiros desaparecidos durante o naufraxio. Dos restantes, tres foron atopados con vida nunha das balsas salvavidas. Tristemente, nesa mesma balsa tamén se atopaban outros catro tripulantes xa falecidos. Os servizos de rescate tamén atoparon outras dúas balsas das catro que levaba a bordo a embarcación, mais neste caso estaban baleiras. A balsa salvavidas restante aínda non puido ser localizada, e os equipos de salvamento seguen na súa procura. Malas condicións meteorolóxicas No momento do naufraxio, o mar de Terranova rexistraba unhas temperaturas de entre -1,8ºC e 2,1ºC, o que dificulta as manobras de busca da tripulación. Salvamento Marítimo explicou que as condicións da zona "son de vento, mala mar e visibilidade reducida". Esta zona está afectada actualmente por un temporal, xa que se trata dun lugar de paso deste tipo de tormentas desde o norte de América até Europa, a través do Océano Atlántico. Ademais do Joint Rescue Coordination Centre Halifax (JRCC-Halifax), coordinado polo Goberno de Canadá, que despregou un dispositivo aéreo e marítimo, varios pesqueiros que se atopaban na zona tamén partciparon nos traballos de busca.
PRAZA_16763
Hai dous tipos de representantes públicos: os do "eu coma os outros", para presumir da súa veneración pola estulticia, para ser o que non se deben ser; e os que teiman en encher a política de frescor, sempre dispostos a tocar a chanca para a súa casa, cando non son capaces de ser o que dicían que ían ser, antes de ser o que son.
"Non atopaba luz por ningures. Non se escoitaba ningunha voz que servise de guía na escuridade". (Os fillos do mar, Pedro Feijoo). Cando se conformaron as corporacións locais, nadas das eleccións de 1983, o nacionalismo galego aínda non atopara o antídoto acaído para curar aquel sarampelo de non xurar nin prometer a Constitución, cuxas primeiras secuelas consistiran en deixar fóra do Parlamento galego a tres deputados electos. Semellante doenza tamén contaxiou a sesión constitutiva dun pequeno concello da provincia de Ourense, onde unha candidatura independente –de matiz nacionalista– conseguira oito concelleiros, nunca corporación de once, na que Alianza Popular alcanzara tres actas. O secretario, na súa condición de mestre de cerimonias, ao armar a mesa de idade, para cumprir o procedemento legal, deulle paso ao rito do acatamento da Constitución, comezando polo cabeza da lista máis votada. –Don Venancio Pérez Pinto, ¿Juráis o prometéis ... guardar y hacer guardar la Constitución como norma fundamental del Estado? Venancio, facendo que non oía, púxose a pasear as mans por tódolos petos da roupa que levaba posta, en busca do paquete de Ducados. Ao atopalo, sacou un cigarro, pediulle lume ao secretario e, despois de darlle a primeira chupada, respondeu: –En primeiro lugar, non me chista ese plural maxestático do "jurais o prometeis" e, en segundo lugar, eu nin xuro nin prometo. O secretario, sen agardar máis explicacións, fíxolle a mesma pregunta ao segundo da lista maioritaria, e despois ao terceiro, pero ao ver que a resposta non mudaba, decidiu pasarlle a pelota ao cabeza de lista de Alianza Popular. –Don Rufino Gómez Casares, ¿Juráis o prometéis...? –Eu coma os outros –dixo Rufino– Ou xa nos imos pór a discrepar o primeiro día. Ah! O meu tío Lisardo quixo que trouxese á palestra esta curiosa anécdota, para ilustrar o que está a acontecer por mor do feo tropezo dunha deputada de En Marea en Santiago, evidenciando que hai dous tipos de representantes públicos: os do "eu coma os outros", para presumir da súa veneración pola estulticia, para ser o que non se deben ser; e os que teiman en encher a política de frescor, sempre dispostos a tocar a chanca para a súa casa, cando non son capaces de ser o que dicían que ían ser, antes de ser o que son. Publicidade {C}{C}{C}{C}<a data-cke-saved-href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=afb54f86&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' href='http://taboleiro.praza.gal/delivery/ck.php?n=afb54f86&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE' target='_blank'><img data-cke-saved-src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=398&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=afb54f86' src='http://taboleiro.praza.gal/delivery/avw.php?zoneid=398&cb=INSERT_RANDOM_NUMBER_HERE&n=afb54f86' border='0' alt='' /></a>
PRAZA_12616
Recóstome no sofá, e de esguello miro o xornal que hai un anaco traía baixo o brazo. O titular máis grande da portada parece rirse de min, "100 días de goberno de Rajoy". Pecho os ollos e penso "cen días, só van cen días, e xa retrocedemos trinta anos, aínda lles queda moito por tocar a Micky e os Tonys".
Hai días que teño a sensación de ter retrocedido no tempo, a un tempo que ás veces esquezo que non vivín, pero que sinto familiar, pois aínda quedan restos del na nosa sociedade, e se non, evocábannola series como Cuéntame como pasó, que tras tantos anos de emisión xa era unha máis á mesa durante as ceas das familias españolas. Chego á casa co xornal baixo o brazo e tras engulir algunhas noticias desoriéntome ao non encontrar no salón un sofá de sky, ao ver unha televisión de pantalla plana onde non hai sitio para aquela folclórica incitando presuntuosa ese touro que como di a canción "dá medo ver". Entón, desorientada, volvo mirar o xornal, as noticias son as que eu recordaba ter lido. Que rompe a negociación colectiva entre empresas e traballadores, sendo o empresario o que ten total impunidade fronte ao obreiro. Máis abaixo, en grosa, un titular que indica que as mulleres son relegadas ao fogar, ao coidado dos fillos, ese "froito do seu ventre" que as "realiza verdadeiramente como mulleres", (como dicía aquel que un día foi alcalde e hoxe ten carteira), xa que segundo reza a noticia, se eliminan as bonificacións cando unha muller se reincorpora ao traballo, se lles condiciona o dereito a unha xornada reducida, e se limita o permiso de lactancia. Nunha marxe do diario fálase da probabilidade de que a interrupción voluntaria do embarazo volva ser tipificada como delito no Código Penal... (pregúntome se polo menos se fará unha rebaixa nos voos a Londres, que estamos en crise, e estas cousas hai que prevelas) Ao lado, nunha marxe do diario fálase da probabilidade de que a interrupción voluntaria do embarazo volva ser tipificada como delito no Código Penal... (pregúntome se polo menos se fará unha rebaixa nos voos a Londres, que estamos en crise, e estas cousas hai que prevelas). Hai un anuncio dun centro de estética, e unha rapaza sae ensinando o peito, busco a ver se aparece por algún lado aquela abreviatura de Níhil óbstat, aínda que dubido que o anuncio puidese pasar a censura. Si, as noticias son as que son, pero a data é do ano 2012, non hai lugar a ter vivido unha regresión, nin un retorno ao pasado... Si, as noticias son as que son, pero a data é do ano 2012, non hai lugar a ter vivido unha regresión, nin un retorno ao pasado... Nin sequera a terme dado un golpe na cabeza e estar a delirar, (cousa que seguramente me doería menos que admitir que é a realidade). Non hai nada que me leve dun xeito tan real aos anos 60 coma o noso Presidente do Goberno e os seus ministros. Eu imaxínooo como aquel grupo de música da época, Micky e os Tonys, lembrades? Entre divagacións, sigo desconcertada. Na cociña, o embutido non está en papel de estraza, non hai botellas de Mirinda, senón Coca-Cola Zero, e parece que todo segue en orde. Deixo o xornal sobre a mesa e acendo a televisión para ver o telexornal. "Eliminouse o Ministerio de Ciencia e Innovación, e as partidas presupostarias para I+D+I redúcense en 600 Millóns de euros... ". Cambio de canle. Un reporteiro indica a situación sanitaria do país "Segundo as enquisas do CIS a sanidade é unha das principais preocupacións para os cidadáns... O favorecemento ao copago fai prever que existirá unha sanidade para que poida permitirlla e unha sanidade de segunda, como na época da mendicidade"... Cambio de canle. "Ao contrario do que están a facer o resto de países da Unión, o Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, mentres paraliza o desenvolvemento das enerxías renovables, aposta pola enerxía nuclear, proba diso é que alongue a vida de centrais nucleares, como a de Garoña, que ía ser pechada en 2013, e xa non será así". Eu é escoitar nuclear, e a miña mente trae a min a imaxe de Fraga en bañador naquel baño en Palomares... Asociación de conceptos, será. Case mellor apago a tele. Pecho os ollos e penso: "cen días, só van cen días, e xa retrocedemos trinta anos, aínda lles queda moito por tocar a Micky e os Tonys" Recóstome no sofá, e de esguello miro o xornal que hai un anaco traía baixo o brazo. O titular máis grande da portada parece rirse de min, "100 días de goberno de Rajoy". Pecho os ollos e penso "cen días, só van cen días, e xa retrocedemos trinta anos, aínda lles queda moito por tocar a Micky e os Tonys".
PRAZA_9678
A capital galega conta con 32 cámaras en toda a cidade e Salamanca ten 16; as outras trece integrantes do grupo de cidades Patrimonio da Humanidade non contan con este tipo de vixilancia. O alcalde de Cuenca (PP) e o rexedor de Mérida (PSOE) resaltan que as súas cidades tamén sofren "vandalismo" e advirten, ao fío das pintadas na Catedral compostelá, de que "con medidas coercitivas non se soluciona de raíz un problema que é de educación"
A aparición, o pasado 12 de marzo, de cinco pintadas na Catedral de Santiago e a súa contorna apenas medio ano despois da que aparecera nunha das columnas da fachada das Praterías deu lugar a un rexeitamento xeneralizado deste tipo de agresións ao patrimonio cultural. Os feitos foran feitos públicos dende o Concello que, a través do alcalde, Martiño Noriega, subliñara a necesidade de "lanzar unha mensaxe unánime" para "apelar á responsabilidade, porque cando se atenta contra bens como a Catedral, aténtase contra o conxunto da cidadanía".Compostela conta con 32 cámaras en toda a cidade e Salamanca ten 16; as outras trece integrantes do grupo de cidades Patrimonio da Humanidade non contan con este tipo de vixilanciaPoucas horas despois de que o consistorio revelase o acontecido unha comitiva da Xunta encabezada polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na que tamén foi inserido o voceiro do PP local, o ex-conselleiro Agustín Hernández, visitou a zona sen previo aviso ao goberno local. O Goberno galego divulgou con rapidez a visita, anunciando que ía "promover" de "xeito inmediato a instalación de cámaras de vixilancia na Catedral de Santiago" para "que este tipo de atentados contra o patrimonio non se repitan".Tras días de declaracións de diversos responsables do PP esixindo a instalación inmediata de cámaras, a cuestión acabou chegando á mesa da asemblea do grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, celebrada a pasada fin de semana na capital galega. Alí o alcalde compostelán compartiu o acontecido co seus homólogos das outras catorce urbes que ostentan este título no Estado. E estes confirmáronlle que só dúas das quince cidades Patrimonio están controladas por cámaras. Ou, dito doutro xeito, só as teñen Santiago, que conta con 32 en toda a cidade -a maioría no casco vello-, segundo confirman fontes municipais, e outra máis, Salamanca, onde hai 16."Este problema resólvese con educación"O presidente do grupo das Cidades Patrimonio, Ángel Mariscal, alcalde de Cuenca polo PP, ratificaba ao expoñer as conclusións da asemblea que "das quince cidades só Santiago e Salamanca teñen cámaras" para afrontar "o vandalismo, que tamén sufrimos na miña cidade", onde apostan por combatelo, alén da "vixilancia" con programas educativos, especialmente dirixidos á mocidade, para "concienciar da importancia do patrimonio".O alcalde de Cuenca (PP) e o rexedor de Mérida (PSOE) resaltan que as súas cidades tamén sofren "vandalismo" e advirten, ao fío das pintadas na Catedral compostelá, de que "con medidas coercitivas non se soluciona de raíz un problema que é de educación"Nun sentido semellante pronunciábase o alcalde de Mérida, Antonio Rodríguez (PSOE), presidente da comisión de cultura do grupo de cidades Patrimonio. "Nós tamén temos vandalismo, como todas as cidades" e, ao seu xuízo, "este é un problema que se resolve con educación". "Con medidas coercitivas non se soluciona de raíz un problema de educación e civismo", afirma o rexedor estremeño, dende cuxo punto de vista hai "discusións" máis urxentes nestas cidades monumentais, como "o impacto económico que xera manter este patrimonio".O propio Noriega admite a súa "sorpresa" ao comprobar que, fronte "á polémica da videovixilancia" suscitada en Santiago, o certo sexa que a capital galega sexa a cidade con máis cámaras. "Tamén é representativo de determinadas dinámicas", coida o rexedor compostelán, que ante os seus homólogos advertiu de que a intención do Concello de Santiago é "mellorar a rede" de cámaras que xa existe -o goberno local prevé que volvan gravar as imaxes este mes- e non abrir novos debates para converter a cidade nun Gran Irmán". Mentres, os traballos de limpeza da pintada máis visible, a da escalinata do Obradoiro, xa remataron.
NOS_51474
Con mestres de prestixio como Oliver Laxe, Rubén Ruibal ou María Barcala comeza o programa Buxiganga co que a Deputación de Lugo quere promover o teatro afeccionado. Case setenta representacións con 250 actores e actrices participan no circuito.
O cineasta Óliver Laxe, o dramaturgo Rubén Ruibal ou a actriz María Barcala son parte das persoas do mundo das artes escénicas e audiovisual que participan no programa do departamento de cultura da Deputación de Lugo, Buxiganga encamiñado a promocionar o teatro afeccionado.Vintecatro agrupacións teatrais son as convidadas a realizar funcións por todas a provincia, con idea de dar vida a grupos de teatro afeccionado. Nesta edición, o departamento de cultura da Deputación, xestionado polo nacionalista Mario Outeiro, incorporou cinco novos grupos: Nostrum Cai, Grupo de Teatro de Ribadeo, Asociación Miolo e Cía, Palimoquiños e Teatro Monart. Serán 69 representacións das que se beneficiarán 59 entidades, colectivos e asociacións neste programa Buxiganga no que participarán máis de 250 actores e actrices. Terán a oportunidade de contar co cineasta Óliver Laxe, o dramaturgo Rubén Ruibal ou a actriz María Barcala nas accións formativas do circuíto.
NOS_51470
A deputada Mercedes Queixas insta a axilizar a declaración do inmóbel como BIC e a facer inventario dos seus bens.
A deputada do BNG pola Coruña Mercedes Queixas exixiu esta sexta feira que a Casa Cornide sexa declarada, "de inmediato", ben de interese cultural (BIC) para garantir "a súa protección e devolución ao pobo, que é a quen pertence". O inmóbel, lamentou, "segue a padecer o espolio dos Franco", polo que instou o Goberno galego a ser "coherente" coa resolución aprobada no Parlamento para urxir a Xunta a "axilizar a declaración de BIC", unha iniciativa a petición do Bloque que se aprobou por unanimidade. "Mais pasados 16 meses nada sabemos do sucedido", cuestionou. Queixas puxo o foco tamén na "impunidade" da familia do ditador para anunciar a Casa Cornide nun portal inmobiliario, "sen que o Goberno do PP tome ningunha medida para impedilo nin se preocupe de protexer os bens inmóbeis da casa a pesar das reiteradas denuncias da veciñanza sobre a retirada dos mesmos". A familia Franco pon novamente á venda a Casa Cornide A deputada denunciou que o recinto non foi aberto aínda para a cidadanía, "tal e como debería terse producido despois do 14 de maio de 2021, data de incoación do expediente". Por iso, preguntou se a Xunta "defende un ben público para a Galiza ou os intereses da familia Franco". Na mesma liña, reclamou "datas concretas" para a declaración BIC da Casa Cornide e para iniciar o réxime de visitas recollido na lei, ante un PP "que tampouco foi quen de explicar que ocorrería se o ben espoliado obtivese un comprador". Queixas concluíu que o PP ten a obriga de "romper coa corrupción histórica do franquismo que demanda a sociedade" e "contribuír a reparar a dignidade coa procura da verdade e da xustiza". Marcha cívica pola recuperación O sábado 5 de novembro a cidadanía está chamada a participar da III Marcha Cívica para exixir a devolución da Casa Cornide, un evento convocado polo colectivo Defensa do Común que decorrerá baixo o lema "Que devolvan todo o roubado. Despois do Pazo de Meirás, recuperación para o pobo da Casa Cornide".
NOS_93
Centos de manifestantes arrodean o recinto feiral da Semana Verde de Silleda diante dun forte dispositivo policial. Pouco antes do mediodía vivíronse momentos de tensión entre manifestantes e Garda Civil con derrube de valado incluído. Segundo informa a Cadena SER a coordinación deste dispositivo policial esta dirixido persoalmente polo subdelegado do Goberno central en Pontevedra.
Chegaron de todo o territorio galego a Silleda para protestar contra o que consideran un "fraude" e un "roubo" de grandes dimensións. Convocados polas Plataformas de afectad@s de preferentes desprazáronse até Silleda após a decisión do PPdeG de mudar de lugar o XVI Congreso provincial do PP de Pontevedra. Desde pouco máis tarde das 10 horas da mañá ocuparon os espazos exteriores, rotondas e accesos ao recinto feiral da Semana Verde. Pouco antes do mediodía vivíronse momentos de tensión entre manifestantes e Garda Civil con derrube de valado incluído. Segundo informa a Cadena SER a coordinación deste dispositivo policial esta dirixido persoalmente por Antonio Coello, subdelegado do Goberno central en Pontevedra. Após ese pequeno incidente pasouse a ler o manifesto de Tui ao que se adheriron todas as Plataformas. Logo chegaron ao lugar autobuses procedentes do Salnés, Morrazo, Marín e Pontevedra, Os manifestantes arrodean todo o recinto, concentrándose unhas 500 persoas na rotonda de entrada. Outros grupos dirixíronse a dous outeiros desde onde se pode ver o edificio central da Semana Verde, lugar de celebración do Congreso. Segundo fontes presentes no lugar algunhas persoas conseguiron romper parte do valado de arame de acceso. "É un roubo" non para de repetir José Manuel da Plataforma de Afectad@s de Sanxenxo-Salnés, "un expolio, non ten outra calificación". A indignación de centos de persoas que protestaban no exterior do recinto da Semana Verde de Silleda foi en aumento ao longo de toda a mañá. Distribuidos por todo o perímetro dos valados metálicos buscaban as saídas posíbeis d@s asistentes ao Congreso do PP de Pontevedra para amosarlles o seu descontento. "Feijóo defende moito aos chipriotas e esquece a nación na que naceu, non nos entra na cabeza". Informad@s da decisión do FROB de que as persoas defraudadas polas participacións preferentes de Nova Galicia Banco ficarán sen o 43% dos seus aforros e no caso das participacións subordinadas do 41% non querían marchar sen transmitir "aos de dentro" que non quedaban calad@s. Pasadas as dúas da tarde deciden marchar nos mesmos autobuses que os trouxeron. Levaban horas e mesmo algunhas Plataformas estiveron antes na manifestación de Pontevedra. "Esta segunda feira temos Pleno en Sanxenxo", comenta José Manuel, "e a alcaldesa dí que non toca falar de preferentes". Prometen continuar, o seus aforros dependen da súa teima en non dar por bó unha decisió que consideran "unha estafa". Sen novidade no PP de Pontevedra No interior do recinto o XVI Congreso do PP de Pontevedra seguiu o guión previsto. Rafael Louzán foi reelixido como presidente provincial do seu partido co 97,1% dos votos. Na executiva entra Rocío de Sinde en substitución de Begoña Estévez na Secretaría Xeral e continúan como vicepresidente José Manuel Figueroa, e como vicesecretario xeral o alcalde de Lalín, José Crespo. Para pechar a xornada os populares tiveron no discurso de Feijoo unha repetición do argumentario para a militancia: ataque aos gobernos anteriores no tema das preferentes e compromiso de que todas as persoas afectadas recuperarán os seus aforros.
PRAZA_9851
Quico vén de publicar O tempo da cireixa (Positivas, 2019), un libro de poemas en que o autor atopa a súa verdadeira "voz poética" e o camiño artístico polo que quere transitar, onde retrata cos seus versos a memoria tanto individual como colectiva, as súas orixes, a familia ou o rural.
Quico vén de publicar O tempo da cireixa (Positivas, 2019), un libro de poemas en que o autor atopa a súa verdadeira "voz poética" e o camiño artístico polo que quere transitar. Prologado por Luz Pichel, Quico retrata cos seus versos a memoria tanto individual como colectiva, as súas orixes, a familia ou o rural. Eses son as liñas cardinais dunha obra "eminentemente política" que traza un xogo de ausencias e presenzas entre o que xa non está, pero continúa a pelexar contra o esquezo. Praza entrevista a Quico Valeiras (O Carballiño, 1990), poeta e libreiro que rexenta a compostelá libraría Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74). Este é o primeiro libro de Quico ou o segundo? Pregúntoo porque na presentación Tamara Andrés falounos dunha publicación previa e era por saber se renega daqueles versos. Antes de publicar este libro con Positivas, xoguei moito a facer autoedicións en formatos diferentes ao libro. Unha, que tivo moito que ver con Compostela, ten a súa historia. Leveina a cabo coa tenda de conservas Catrineta, na praza de Abastos. Este local ten un proxecto que iniciara Estevo Creus co seu O libro dos cans, libro que presentou en diversos formatos. Un deles foi en Edicións en Fachadas, en colaboración con Catrineta. É unha edición efémera, que se expón na parede e dura até que a xente vai arrincando os poemas. Despois si que foi a miña primeira obra en formato libro, que levamos a cabo cunha campaña de micromecenato. Era un proxecto con diferentes ramificacións. Pero non é que renegue, o que acontece é que os seus poemas, coido, non superaron o paso do tempo. En calquera caso, creo que este O tempo da cireixa é o primeiro libro no que eu atopo a miña voz poética. Digamos que nunca antes me atopara tan claramente na escrita. Podo dicir que me atopei como autor e descubrín o camiño polo que realmente quero tirar."Grazas a Positivas, podemos dicir que hai unha xeración de todas nós que nacemos admirando moitísimo a Lois Pereiro, Raúl Gómez Pato, Lúpe Gómez e tantas outras. É un selo fundamental"Leva a libraría da Chan da Pólvora, que forma un tándem coa editorial Chan da Pólvora que dirixe Antón Lopo. Por que editar logo con Positivas e non con Chan da Pólvora?Antón Lopo e mais eu adoitamos dicir que a libraría e a editora son un matrimonio con separación de bens. Compartimos o nome, un nome que de feito apareceu moito antes de que eu me unise ao proxecto da man de Alicia [Fernández] e Eduard [Velasco], que levaban antes a libraría. O nome xurdiu no nacemento, momento no que tamén estaban vinculados poetas como Gonzalo Hermo. Eu entrei despois para facerme cargo da libraría. Eu tiña os poemas, mandeinos a varias editoriais e un día, Paco Macías entrou pola porta. Despois de falar durante dúas sobre anarquistas do Bierzo, xusto cando marchaba, avisoume que iamos para adiante, que me publicaba o libro Positivas. A min sorprendeume moito, sobre todo sabendo a historia de Positivas. Antes, pasárallo a Luz Pichel, que leu os poemas e quixo facerme o prólogo. Grazas a ela, atrevinme a pasárllelo a máis autoras e editoras.Que representa Positivas para vostede?Editar con Paco Macías para min é un plus, xa que falamos dunha persoa que ten as cousas ben claras e que quere gozar co seu traballo. A Paco coñecino precisamente grazas a un libreiro do Carballiño, que me presentou os libros da editorial e os poetas de Positivas, con especial ollada a Lois Pereiro. E como di David Cortizo, Paco é o decano dos editores. Para min, Positivas é a editora que apostou por vertentes diferentes da poesía, publicando nomes con camiños moi diferentes. Falamos que sacou ás librarías a autoras moi especiais. Con citar a Estevo Creus, Lois Pereiro ou Lupe Gómez xa nos facemos unha idea. Ademais, eu namoreime completamente de Últimos bruídos, o libro de Marga Tojo, que publicou Positivas e que me parece unha bonita rareza. Grazas a Positivas, podemos dicir que hai unha xeración de todas nós que nacemos admirando moitísimo a Lois Pereiro, Raúl Gómez Pato, Lúpe Gómez e tantas outras. É un selo fundamental.Na presentación vostede definiu o seu libro como "eminentemente político". Pero se cadra é unha redundancia, non? Quero dicir, hai creación artística que non sexa -xa por acción ou xa por omisión- política?Eu fixen filosofía. Teño unha marcada predilección por Foucault e os seus estudos. Realmente non hai parcela da vida que non estea politizada. Vivimos na época da biopolítica e, polo tanto, calquera das nosas accións é política. Sobre todo, cando esas accións son públicas. É o que dis ti: ben por acción, ben por omisión, calquera exposición artística resulta política. Mais eu quería remarcar a idea desa eminencia política, xa que eu o reivindico como unha obra política. Tamén o apuntaba na presentación: no libro hai unha análise da miña percepción como neto e como fillo tanto de avós e pais coma do rural. Para min, falar da familia é falar da primeira célula politizada e, por ser precisamente a primeira, a máis politizada. Porque todo o que vas mamar vén de alí. Iso dende o plano social. Se nos fixamos na perspectiva ideolóxica, abordo o amor entendido como as relacións co mundo, que poden ser de afirmación ou de negación. Polo tanto, eu penso que na poesía sobre o amor, ao longo da historia, é onde se ve o compoñente político máis claro da poesía. Porque a arte amatoria, esa arte é pronunciada e nela ves a influencia da relixión ou da sociedade patriarcal. Por exemplo, nesa idea horrible de muller como musa, que está simplemente aí para alimentar o noso ego de homes, de homes que ademais van explicar que é o amor. En definitiva, non se pode facer arte que non sexa política. E si, é unha redundancia, pero eu declárome autor conscientemente político. Agora ben, O tempo da cireixa non é panfleto, mais si hai poemas onde aparece reflectida unha determinada visión sobre asuntos clave, dende o capital até o amor."Eu, na cidade, malia seguir a considerar Santiago como unha vila, boto en falta as ligazóns entre a veciñanza, as pausas ou a liberdade coa que as crianzas xogaban"Falemos do rural, que é un elemento moi presente nesta obra que podemos cualificar como un libro de memoria. No prólogo, Luz Pichel apunta que os versos recollidos no volume xorden en contraposición a unha "Ghalicia que padece dun antirruralismo ancestral compatible con boas doses de esencialismo que converte o máis autóctono en exótico". Para min, o rural non deixa de ser máis que memoria porque, aínda que pase tempadas na vila, xa non teño a experiencia que podía ter na época da que falo nestes versos. O rural, para min, é o lugar da memoria de onde veño, onde me criei. En definitiva, do que eu son. Eu vivín no rural, lembro como recolliamos as patacas coas propias maus, como cociamos as patacas para aos marraus. Eu vin como cantabamos e bailabamos no traballo, todos xuntos coa matanza. Eu, na cidade, malia seguir a considerar Santiago como unha vila, boto en falta as ligazóns entre a veciñanza, as pausas ou a liberdade coa que as crianzas xogaban. Porque xogar era xogar. Para min, o rural non deixa de ser o espazo no que fun libre. Despois, como puntualicei na presentación, falo do rural, pero tamén dun núcleo moi concreto da miña familia, da miña familia materna. É unha obriga falar do rural ao falar da familia.Dentro desa familia que se reflicte, ten moita importancia a tía Isabel. Quen era? Que significado ten na súa poesía?O poema que fala das maus da miña tía Isabel abre cun dos mellores versos que eu lin na vida e que resumen o que pode ser a familia propia e a familia inserida na historia dun pobo. "Ti es a caligrafía amada de Galicia". Son palabras de Camuflaxe, de Lupe Gómez, editado en Chan da Pólvora. A capa do libro son as maus enormes, xigantes da avoa ou da bisavoa de Lupe, non lembro exactamente, pero si lembro a impresión que me provoca. Porque esas maus, co pano, co mandil... É a foto da miña tía Isabel e das avoas e tías de tantas e tantas de nós. Unhas maus que traballaron a terra. A miña tía Isabel representábame todo iso. Tamén os coidados. Ela coidou da miña nai, do meu tío, da miña tía, de min... Foi unha señora que nos quería moito e o único que non lle chistaría de min sería o meu anticlericalismo. Porque era unha señora moi devota que me inculcou non o amor de Deus, senón o medo a Deus. Pero ela si desprendía amor, era unha balsa de coidados para todas nós. Foi unha muller que, como tantas outras, viviu para coidar. Eu só teño lembranzas positivas dela, de querernos moito e de estar sentadiña á raxeira. Eu coñecina de vella, porque supoño que sempre foi vella. Deume moito amor. "Xulgo necesaria a normativa, sempre que iso non implique unha posición clasista dentro da nosa lingua"Ao longo do libro, dende o título mesmo, achamos unha escolla lingüística e léxica por manter os trazos lingüísticos das súas orixes. Outra elección política? Tamén o expresa no seu prólogo Luz Pichel. Fai referencia como elemento á escolla da fala da miña zona. É unha cuestión da dignidade da fala do noso rural. En moitas ocasións, vívese nunha especie de autocensura nas vilas, xa que moita xente cre que ten que falar nun idioma correcto. Xa non só do noso galego fronte ao castImaxe close delete_forever swap_vert elán, senón do seu galego fronte ao estándar. Eu xulgo necesaria a normativa, sempre que iso non implique unha posición clasista dentro da nosa lingua. A min Luz Pichel inculcoume unha idea de que a lingua non debe ser clara, debe ser opaca. Porque a opaca é a real, a que se pode tocar cando a escoitamos na fala dunha señora do pobo, dun señor do rural, sexan estes de onde sexan. É unha loita necesaria a reivindicación da diferenza. O problema que temos aquí, xa o sabemos, é que a lingua non a temos normalizada nun estado. E esta situación, provoca tamén unha confrontación interna que nos divide en vez de ser un pulo. Eu, dende logo, creo que cada unha das maneiras de expresarse da nosa lingua é digna.A cirdeira está presente no libro, malia representar a ausencia. Xa non existe, só na memoria. Que importancia ten a ausencia nestes versos?Si, é unha ausencia, pero intento que agrome algo dela. Porque é escavar na memoria. A cirdeira evoca ese tempo no que a árbore medraba nun patio da casa dos meus avós maternos. Por un lado, xa non existe, agora só hai cemento. Eu intento evocala, pero a evocación é unha cousa e a posibilidade de sinalar algo que está é outra. Non sei cal é a mellor opción, nin sequera cal resulta máis real. Con esa ausencia, tamén se enxerga como eu estou expropiado da cirdeira como tal, pero tamén da relación coa familia. Penso que hai moita necesidade de reflexionar sobre os vínculos familiares. Eu, a través da poesía, evoco aos meus avós e falo nuns verso "dos perdigón a refuxiarse no ventre dos paxaros". Pero non sei se son eu o perdigón, eles o paxaro ou todo ao revés. Pero a verdade, estamos todas aí. E si, podemos dicir que é un libro de ausencias."Hai unha proliferación de poetas novos e cun potencial estupendo que traballan e crean a partir do rural, xusto cando xa non o temos, cando xa nolo queren expropiiar"Pero tamén de presenzas. Por exemplo, de autoras que cos seus versos e cos seus nomes atravesan O Tempo da cireixa.Si temos esa presenza, hai unha intertextualidade que atravesa todo o libro. De entrada, hai dúas poetas que abren o libro: Gonzalo Hermo e Luz Pichel. Non sei, igual elas son as que marcan o mapa. Moitas das citas que aquí veñen incluínas ao rematar o libro, porque xa vía que estaban dalgunha maneira. Unha cousa que non podo deixar de facer é dialogar con outras autoras que están tamén a tratar temas da familia. Hai unha proliferación de poetas novos e cun potencial estupendo que traballan e crean a partir do rural, xusto cando xa non o temos, cando xa nolo queren expropiar. Ademais, nun período de tempo moi curto, produciuse unha devastación terrible. Por exemplo, de maneira moi evidente, a construción do tren que din que será o Ave Madrid-Santiago, algo totalmente inútil para o que é a nosa realidade, devastou moitas aldeas. Para comezar, a miña aldea paterna. Esa situación conectoume moito coa obra marabillosa de Pilar Pallarés, Tempo fósil, que trata sobre a ampliación de AlvedroHai nostalxia por esa época que retrata en O tempo da cireixa?Non creo que haxa nostalxia. E xa che digo que non hai que tela. Si que hai unha evidencia: se eu quixese recuperar parte desa maneira de vivir... Pois a verdade, seríame ben complicado. Non hai nostalxia, pero si creo que hai unha necesidade -ou a posibilidade- de volver ao rural cunha mochila de moitas cousas aprendidas. Non se debe incidir en moitos roles sociais, por exemplo. Coido que a forma de volver ao campo debe ser con todo o aprendido polas loitas sociais, polo feminismo...
NOS_16927
Xa pasaron dous anos da chegada do socialista Ángel Mato á Alcaldía de Ferrol e 'Nós Diario' conversou cos grupos políticos para facer balance do mandato, do que fica por diante a metade de cara ás eleccións municipais. As urnas de Ferrol son das máis exixentes da Galiza, pois desde 1987 ningún partido foi quen de revalidar na Alcaldía.
Nestes dous anos o Goberno municipal de Ángel Mato centrou os esforzos en "desbloquear" asuntos que vía "encallados" cos anteriores Executivos. Así o asevera o portavoz municipal socialista, Julián Reina, que pon como exemplo "o desbloqueo" das obras da ampliación do Hospital de Ferrol e nas rúas da parroquia de Serantes. Tamén alude ao convenio coa Deputación da Coruña para a construción da residencia de maiores no Bertón, salienta o "impulso definitivo" que supuxo a conversión da Avenida das Pías nun bulevar, así como a tramitación do taller de sub-bloques e do de chorreo en Navantia, "en colaboración coa empresa pública". Entre os proxectos "desbloqueados" non esquece o convenio de desafección dos terreos portuarios ou o albergue de peregrinos na Casa do Mar. Aliás, destaca a recuperación dun muro de contención ao carón das vías do tren para erguer a rúa Loureiro, que "estaba a afundir". En canto á economía, o socialista salienta o orzamento municipal que o Goberno presentou hai un mes, cun incremento de 14 millóns, case 21%, a respecto dos anteriores orzamentos aprobados (2018). No capítulo de investimentos recóllense 18 millóns, 183% superior ás contas de 2018. Noutra orde, Reina considera un acerto os plans de axudas directas a autónomos, dotados de 4 millóns de euros. En canto a servizos sociais, afirma que máis de 800 familias recibiron os vales quincenais do Concello, nos que investiron "perto de 500.000 euros para axudar as persoas con maiores dificultades". Na actualidade están a traballar na "recuperación do Ferrol vello", con obras como a recuperación da casa natal de Ricardo Carvalho Calero. Tamén subliña as obras na rúa da Igrexa, cunha actuación complementaria nas inmediacións da praza da Galiza. Na Magdalena, ateigado de tráfico e con estreitas beirarrúas, apostan por recuperar o espazo para as persoas. O PP ve o Concello parado A ilusión polo cambio nas eleccións traduciuse nunha "decepción", di José Manuel Rey, ex alcalde de Ferrol e actual voceiro municipal do PP. Pon o acento na crise que vive a cidade, con máis de 5.000 persoas no desemprego e a taxa de desocupación mais alta da Galiza. "Perdemos dous veciños ao día de media durante o ano pasado e por primeira vez baixamos da barreira dos 65.000 habitantes", explica. Ante isto, critica a "inactividade" do Concello e "un claro abandono do Goberno estatal". Para o popular "Ferrol é unha cidade nacida para o Estado", polo que depende das súas decisións, fundamentalmente en emprego, "que ten a ver co monocultivo industrial e enerxético". Nese sentido, sinala dúas decisións do Goberno español "nefastas": a situación que atravesa o naval, coas gradas baleiras, e "o fechamento anticipado da central térmica das Pontes sen unha alternativa". Aliás, quéixase de que nestes dous anos aínda non se aprobase ningún orzamento municipal. FeC lamenta que o Goberno escore á dereita O antecesor de Mato na Alcaldía, Jorge Suárez, actual voceiro de Ferrol en Común (FeC), explica que apoiaron a investidura do actual rexedor porque acreditaban "que unha alternativa de esquerdas e cohesionada era posíbel, pese á hostilidade que tivéramos por parte do PSOE no noso mandato". Porén, lamenta que estes dous anos fosen "de absoluta pasividade" e se coartase a participación veciñal. Sobre o borrador de orzamentos presentado polo Goberno, Suárez ve que está "máis orientado a buscar afinidade co PP que coa súa formación ou o BNG". Aliás, bota en falta iniciativas en emprego e benestar, impulsar a renda municipal básica, o PXOM ou o saneamento rural, cuestións que reivindica que foron impulsadas desde o Goberno de Ferrol en Común e que agora se atopan paradas. O BNG urxe a mudar o marco para erguer Ferrol "O problema deste Goberno é que, ao igual que o do PP ou mesmo o das Mareas, é miope e non quere ver a situación en que se atopa Ferrol e, por tanto, dificilmente vai atopar solucións", considera o portavoz municipal do BNG, Iván Rivas. "Isto acontece", apostila, "porque son partidos con dependencia de Madrid" e non queren mover os marcos actuais dunha cidade que depende economicamente do Estado. De facto, lembra que "o Ministerio de Defensa (ao que pertence 20% do solo urbano) non paga tributos na cidade, o que implica millóns de euros que deixamos de recibir ao ano". Ademais, engade, Ferrol "está condicionado laboralmente por Defensa, cuns estaleiros confinados ao gueto da construción militar; e a nivel urbanístico porque está divido en dous por unha muralla que deixa un ámbito da cidade inaccesíbel". O Estado, di, "abandónanos á nosa sorte, exclúesenos do eixo atlántico de infraestruturas ferroviarias e deixa a ría abandonada". Por iso, no BNG demandan ao Concello que "afronte as relacións con Defensa e o Estado". De mudaren os marcos, asegura Rivas, a cidade tería futuro porque "ten unhas posibilidades enormes de desenvolvemento" a nivel industrial, con estaleiros con gran capacidade de construción se o Estado permite abrilos ao mercado naval civil; a nivel produtivo e ambiental, cunha ría "espectacular" de rexenerarse; e cun patrimonio histórico abandonado e que cómpre recuperar.
PRAZA_9638
O número de persoas administrativamente galegas e residentes no estranxeiro aumentou un 0,6% en 2018, até alcanzar as case 520.000, malia descender o das emigrantes nacidas en Galicia, que se sitúa nunhas 152.000. En total, máis do 17% da cidadanía nativa do país reside fóra del
O padrón de galegos e galegas residentes no estranxeiro aumentou de novo en 2018 até alcanzar as 519.646 persoas. Son, xa que logo, case 520.000 os cidadáns residentes fóra do Estado español, con nacionalidade española e empadroadas a efectos electorais nalgunha provincia galega. Así define este colectivo o Instituto Nacional de Estatística (INE), que vén de facer público os últimos datos actualizados a 1 de xaneiro de 2019 do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE). Son, xa que logo, o número global de galegos – administrativamente falando – que viven fóra de España, incluíndose aí tanto aqueles nacidos en Galicia, como os seus descendentes con pasaporte español ou novos emigrantes que marcharon nestes últimos anos. Do total de cidadáns incluídos neste padrón, o 70,8% non naceu en Galicia. Tan só o 29,2% é orixinario do país.O padrón de galegos residentes no estranxeiro aumentou un 0,6% en total en 2018, até alcanzar as case 520.000 persoas, malia descender o número de persoas nadas en Galicia que vive fóra de EspañaSegundo os datos do INE, o padrón dos galegos no estranxeiro aumentou nun total de 3.127 persoas nun ano, até alcanzar esas 519.646 fronte ás 516.489 rexistradas na mesma data de doce meses antes, o que supón un lixeiro aumento do 0,6%. Non quere dicir isto, no entanto, que a emigración galega aumentase no último ano, polo menos cara a fóra do Estado. De feito, de termos en conta, dentro do devandito padrón, os galegos nados en Galicia e residentes no estranxeiro na actualidade, a cifra descendeu con respecto a comezos de 2018. Así, mentres hai máis dun ano eran 154.312 o número de persoas nacidas en Galicia que vivían nalgún país fóra de España, a principios deste 2019 a cifra baixou ás 151.763, 2.549 menos, o que supón un descenso do 1,7%.Ademais, e no que ten que ver coas novas inscricións de persoas galegas no estranxeiro, tamén houbo un mínimo descenso no último ano, ao pasarse das 17.044 que se realizaron en 2017 ás 17.015 que tiveron lugar en 2018. Estas altas, como aclara o propio INE, poden deberse "calquera das causas posibles" para obter a nacionalidade española, ben sexa por "nacemento, nacionalización, omisión e emigración desde o Estado ao estranxeiro". O número de novas inscricións de galegos no estranxeiro descendeu en 2018 e o 76% delas tiveron lugar no continente americanoDe feito, a maioría de novas inscricións en 2018 tiveron lugar no continente americano: 12.988, máis do 76% do total, fronte ás 3.584 en Europa, o 21%. A Arxentina ou Cuba foron os países onde máis altas no padrón dos emigrantes galegos se deron. Sexa como for, Galicia segue a ser un país emigrante. Máis aínda se temos en conta que a estes datos referentes ao exterior habería que engadirlles tamén os das persoas nadas en Galicia e que residen nalgunha outra comunidade autónoma do Estado, un total de 340.805 segundo os últimos datos do INE, sen ter en conta aqueles que o fan temporalmente e non se empadroaron no seu lugar de destino. En total, no mundo hai algo máis de 2,8 millóns de persoas nadas en Galicia, das que o 12,4% viven noutras comunidades autónomas do Estado e un 5,4% nalgún país estranxeiro. Son, en total, un 17,4%, unha porcentaxe que sitúa o país como un dos que máis poboación nativa ten emigrada noutro territorio, ao nivel de Irlanda segundo os últimos datos da OCDE e, posiblemente, mesmo superior a outros países con altas porcentaxes de cidadanía vivindo fóra como Nova Celandia ou Portugal. O 17,4% das persoas nacidas en Galicia residen fóra do país: o 12,4% noutras comunidades autónomas e o 5,4% nalgún territorio fóra do EstadoE onde hai máis galegos? A resposta segue a coincidir co imaxinario colectivo. Na Arxentina viven aínda na actualidade 43.372 persoas nacidas en Galicia e un total de 178.539 cidadáns galegos con pasaporte español. En Suíza, son 19.618 os que viron a luz no país e un total de 41.104 de sumarmos tamén os descendentes. Ademais, Francia, Reino Unido ou Alemaña, en Europa; e Venezuela, os EUA, Uruguai ou Brasil en América manteñen unha importante colonia galega de milleiros de persoas. En Cuba, por exemplo, quedan 401 persoas nadas en Galicia vivindo aínda alí, pero hai 43.480 que se inclúen dentro do padrón de galegos residentes no estranxeiro.
NOS_54037
Celta B-Tudelano (16.30 horas), Rácing de Ferrol-Real Unión de Irún (17), Lugo-Almería (18.15), Vilarreal-Celta (18.30) e Badaxoz-Deportivo (19). Cinco partidos practicamente ao mesmo tempo que recuperan excepcionalmente os tempos de gloria dunha radio deportiva que sufriu moito o imperio das televisións.
Tarde de excepción a do día de hoxe. Nunha época na que a tendencia, imposta polos intereses dos amos e señores absolutos das competicións futbolísticas, as televisións, é a de dispersar os partidos o máis posíbel, cada vez é menos frecuente que se concentren nun mesmo día ou franxa horaria. Por iso o fenómeno deste 12 de marzo non merece menos que o apelativo de Súper sábado, pois os cinco representantes da Galiza nas tres principais categorías do fútbol estatal saltarán ao terreo de xogo practicamente ao unísono. O primeiro en entrar en acción será o Celta B, que recibe en Barreiro o Tudelano navarro ás 16.30 horas. Os rapaces dirixidos por Onésimo Sánchez queren prolongar o seu estado de graza e continuar recortando a distancia cun liderado do que están separados por sete puntos. Non obstante, o aval dos seus cinco choque consecutivos sen perder -dos que gañaron catro- non debería facer que baixasen a garda ante a teórica inferioridade dun rival que ocupa a penúltima posición, xa que a primeira vitoria da tempada conseguírona no último encontro do ano ante, precisamente, o filial celeste. Exactamente 30 minutos despois (17 horas) de que arranque o fútbol en Barreiro seguirán os seus pasos na Malata dous históricos: Rácing de Ferrol e Real Unión de Irún. Inmersos nunha impredecíbel loita de brazos por conseguir entrar nun play-off do que os Diaños Verdes ocupan o último posto con 43 puntos, os mesmos que os irundarras. A resolución deste partido, coa súa correspondente inclinación da balanza do gol average, podería ser determinante no tramo decisivo do campionato, aló polo mes de maio. Importantes duelos para Celta e Lugo A emoción do deporte rei pega un salto de categoría xa ás 18.15 horas, co comezo do Unión Deportiva Almería-Club Deportivo Lugo. Nunha situación practicamente análoga á do Rácing co campión de Copa en 1913, 18, 24 e 27, os albivermellos aspiran a que o Estadio Mediterráneo deixe de ser inexpugnábel e, de paso, deixar practicamente asinada a salvación cun triunfo ante un equipo moi poderoso, segundo clasificado da Segunda División con tan só un punto menos que o líder Eibar. O míster, Rubén Albés, afirmou ser "consciente" de medirse a "un dos mellores da categoría", mais mostrou a súa confianza en "aproveitar" as fortalezas dun bloque que ten "confianza" nas súas opcións. Xa na Primeira, o Celta de Vigo ten -quizais, agora si, de modo definitivo- a súa última oportunidade de subir ao tren europeo. O Estadio da Cerámica de Vilarreal é un auténtico fortín que os xogadores dirixidos polo Chacho Coudet tratarán de asaltar a partir das 18.30 horas coa consciencia de que todo o que non sexa gañar será dicir adeus -case- definitivamente ao soño da participar na Europa League na tempada do centenario, pois os sete puntos de vantaxe dos castellonencos semellan practicamente irrecuperábeis nos 10 compromisos que lles quedarían por disputar aos celestes. Finalmente (19 horas), o Deportivo da Coruña porá o broche de ouro a este Súper sábado tan especial visitando o Nuevo Vivero de Badaxoz co único obxectivo de despexar as dúbidas que levan atenazándoo xa desde finais da primeira volta. Ademais de nos seus 11 homes, a afección branquiazul terá un ollo posto na actuación arbitral, pois consideran que vén prexudicando o Dépor desde hai varias semanas. Porén, e tal e como salientou o propio técnico deportivista, Borja Jiménez, na rolda de prensa previa ao partido, nin "quere" nin "pode" pensar "que arbitran diferente ao Deportivo". "Creo na honestidade dos colexiados, do contrario, para min acabaríase o deporte", engadiu.
PRAZA_8335
A reforma pode ter tras de si a intención, por un lado de responder a emerxencia de novos partidos que entraron con forza, e polo tanto mudar no longo prazo o sistema de partidos, e por outro banda, buscar, mediante a coartada do aforro nun contexto de crise, conseguir unha maior taxa de vantaxe.
A crise de representación, e a quebra da lexitimidade dos partidos políticos, que nos últimos anos, están a ser percibidos, non como ferramenta para avanzar na toma de decisión e ser a correa de transmisión que leve o que demanda o pobo ás Institucións, senón máis ben coma unha caste afastada da realidade e que non é sensible as necesidades da cidadanía; lévanos a formular, que ante esta situación, de desconexión entre representantes e representados, de descolgue entre as elites políticas e a vontade popular, causada por unha acentuada desafección política, urxa, por parte dos representantes tomar medidas que encamiñen a situación, e respondan ás peticións da cidadanía. Movementos como o 15M puxeron riba da mesa a imperante necesidade de reformular os mecanismos de conexión entre o pobo e os seus representantes, pois, e así o vemos co nacemento de novos movementos sociais, novos partidos, que pouca relación gardan con partidos convencionais, e que se están a coar nas Cortes, é preciso un cambio dos instrumentos cos que ata agora a Democracia estaba a funcionar. Un importante sector da cidadanía demanda maior participación, ou se cabe, expresa un desencanto coas políticas que se están a levar a cabo. Os casos de corrupción, a constante toma de decisión que se amparan no ben común, pero que non representan a vontade da maioría, están a facer que agrome no palpitar do pobo unha sensación de baleiro, e de apatía ao ver que a toma de decisión que foi transferida, seguindo o senso da Democracia Representativa, a persoas que manifestasen o clamor popular nas Institucións, non é a axeitada. Ante esta realidade de disenso entre as políticas que se levan a cabo e a vontade da cidadanía, os partidos políticos, viron a oportunidade, movidos polo clamor dunha parte do pobo, de mellorar os cauces de representación e de rendición de contas, de mudar as leis electorais. Así, comunidades autónomas como Valencia, Madrid, Castela e a Mancha, Estremadura e Galicia, postularon ou abriron a opción de replantexar os marcos electorais co fin de responder a vontade cidadá. Mais como ben expresan os politólogos José Ramón Montero e Pedro Riera, en moitas das súas publicacións que abordan esta temática, "existen dúas motivacións pra reformar un sistema electoral: as directas, que beben das consecuencias mecánicas que se derivan do funcionamento do novo sistema, e as indirectas que consisten no premio que os votantes outorgan á forza ou forzas políticas que abandeiran o cambio de sistema". Isto é, as reformas non buscan o contento da cidadanía, se non que máis ben responden a intereses partidistas e a maximización de beneficios por parte dos impulsores de ditas reformas. Seguindo ao tamén politólogo, Katz, hai seis razóns polas cales os gobernantes modifican as leis electorais que precisamente lle permitiron chegar ao goberno, estas, nos casos que vamos a abordar, e no caso galego en concreto, se resumen na pretensión, por un lado, de evitar unha derrota electoral e mesmo incrementar a vantaxe, ata a consecución de obxectivos a medio prazo, como mudar o sistema de partidos. O certo é que os partidos maioritarios de ámbito nacional, nos últimos anos, caracterizáronse por un discurso baleiro nestas cuestións, e mostráronse de acordo cun sistema que, polo de agora, funcionou ben, e dentro da proporcionalidade, introducía elementos correctores que permitisen gobernos sólidos e estables, cun baixo multipartidismo. Así, o Partido Popular semella estar contento co funcionamento do actual sistema electoral, que lle outorga unha clara taxa de vantaxe, debida, primeiro polo seu nesgo maioritario, e segundo polo claro nesgo conservador que potencia as rexións menos poboadas e de voto máis afín aos populares. Nun principio AP, falaba dun sistema maioritario, esta vontade, non sería asumida polo PP, unha vez acadaron o poder. No Partido Socialista, semella que nos últimos días, está a agromar a formulación dunha reforma de calado, e que xa leva tempo soando, que buscaría a introdución dun sistema mixto como o modelo alemán. Mais, o discurso habitual é o de falar en termos de "mellora do nexo de unión entre representados e representantes", mellora da participación… pero sen nunca introducir o cambio de modelo. Por outra banda, os partidos minoritarios, como IU, falan de establecer a Comunidade Autónoma como circunscrición e ampliar o parlamento a 400 deputados. UPyD que irrompe nas eleccións de 2008 cunha clara vontade de reforma do "perverso" sistema electoral español, formula un cambio moi acorde ao de IU, que procure a maior proporcionalidade. Polo tanto semella que dende os partidos maioritarios, non hai unha clara vontade de reforma, mais pese a elo, diversas Comunidades Autónomas, todas elas presididas polo Partido Popular, nos últimos anos, decidiron responder a vontade dunha parte da cidadanía e facer propostas que camiñasen da man do cambio das súas respectivas leis electorais, servindo deste modo, como captadores desas demandas e potenciadores da súa implementación dentro das Institucións Públicas. Xa que isto se está a dar, cabe preguntarse polo por que desta situación. O certo é que o funcionamento deficiente dun sistema electoral non é razón suficiente para que este se reforme, como diversos estudos politolóxicos nolo veñen a confirmar. Polo tanto, que buscan estas propostas de reforma? Camiñan da man das demandas de movementos sociais como o 15M?, Procuran a diminución da desproporcionalidade, e acercarse máis a iso de un unha persoa un voto? ou procuran outro interese. Que demanda a cidadanía?, se é que verdadeiramente hai demandas neste eido, fora de certos movementos, que se ben teñen repercusión, non representan a pluralidade. Para responder a isto, debemos de falar das distintas propostas que estas comunidades autónomas queren implantar. Cabería esperar, que dado que todas as iniciativas veñen do mesmo partido político, fosen similares e tomasen elementos conxuntos, mais a realidade é ben distinta. O PP de Extremadura fala de listas abertas e de primarias para elixir aos candidatos dos partidos, unha temática xa moi soada, que incrementaría a accountability ou rendición de contas, e que viría a responder a esas demandas que tanta repercusión tiveron nos medios, e que foron clamor dos movementos sociais e da opinión pública, de poder elixir aos candidatos dentro dunha lista, unha opción que dende a creación do Senado ven existindo, e que non obstante so emprega un 5% da cidadanía. Por outra banda, Castela-A Mancha, propón o aumento en 4 deputados do Parlamento, pasando de 49 a 53, que é o teito que establece o seu Estatuto de Autonomía. Esta proposta é moi similar á que os socialistas xa introduciran en 2007 cando xa se sumaran 2 escanos. No caso, o goberno de Cospedal, afirma que é preciso a reforma, debido ao aumento poboacional nas circunscricións que se pretenden crezan en un escano, estas son: Toledo, Ciudad Real, Guadalaxara e Cuenca. Tras a realización das simulacións electorais empregando os resultados de 2011, o resultado, cun Parlamento de 53 escanos sería: o aumento de tres escanos para o PP, un por cada unha das provincias que aumentan en un o seu escano, Toledo, Cidade Real e Cuenca, e o aumento de un escano para o PSOE en Guadalaxara. O PP, quedaría con 28 escanos fronte aos actuais 25 e o PSOE con 25, un máis que os actuais 24 escanos. Sen dubida, unha clara manipulación do sistema electoral para aumentar a súa vantaxe electoral. O que non se pode conseguir nas urnas, si se poder conseguir combinando elementos puntuais do sistema electoral. Mención aparte reciben Valencia e Madrid. No caso de Madrid, a ex-presidenta rexional, Esperanza Aguirre, tras ser reelixida en 2011, no debate de investidura, anunciaba a intención de levar a cabo unha reforma de calado na lei electoral da comunidade, que precisaría mesmo modificar o Estatuto. Xa na súa primeira lexislatura Aguirre falara de modificar a lei electoral, mais finalmente non foi adiante. Desta volta, a expresidenta falaba de dividir a Comunidade en circunscricións uninominais e implantar un modelo mixto como o alemán, con elección directa de 43 parlamentarios dos 129 (voto maioritario) e o resto por voto de lista. Na Comunidade Valenciana, as propostas de reforma que se fixeron no seu día, seguen o camiño que se dispuxo en Madrid, e de novo, semella que hai unha clara querenza pola creación de distritos uninominais, por unha banda, e voto de lista, que complemente o reparto de escanos. Sen dubida, os modelos mixtos, son os que máis aceptación tiveron nas novas Democracias e nas recentes remodelacións das leis electorais dos diversos Estados. En todo caso, debemos salientar a falta de consenso nas distintas propostas de reforma, por un lado, unhas falan dun cambio total de lei electoral, mentres outras so pretenden mellorar a rendición de contas, ou, supostamente, aumentar a proporcionalidade, ou por outra banda, adecuar o Parlamento a crise económica que sufrimos, como en Galicia. Listas abertas, ampliación do Parlamento, redución do Parlamento, cambio drástico de modelo… non parece haber ningún elemento común nas reformas dos líderes autonómicos do PP, o cal é estraño, pois dende o comité nacional se entende debería de existir certo consenso no gusto por un tipo de reforma do sistema electoral. O caso galego é de especial estudo, pola dimensión que implica, e polo que aos galegos e galegas nos afecta, por elo cabe un maior desmenuzamento do que a reforma, de se levar a cabo, significaría. Por un lado destacar, a intención de Feijoo, deixándoo patente xa na campaña electoral, de modificar a Lei electoral para establecer un Parlamento de 61 escanos fronte os 75 actuais. Tal proposta, que se argumenta, na adecuación do Parlamento a situación de crise económica, e a un Parlamento máis afín a realidade dos galegos, que non precisa de máis deputados, senón que, e seguindo o Estatuto de Autonomía, que establece entre 60 e 80, se pode representar a cidadanía galega, con tan só 61 parlamentarios, 14 menos que na actualidade. A proposta, dende o seu inicio non contou co apoio das restantes forzas políticas con representación, que ven unha diminución de representantes da cidadanía nas Institucións, e polo tanto un menoscabo, aos principios da Democracia representativa. A reforma que quer levar a cabo o Partido Popular, fai que se deba facer un novo reparto de escanos por circunscrición. Tal é como di a Lei 8/1985 cada Provincia parte de 10 escanos, o restante débese asignar seguindo criterios poboacionais , no caso da proposta de reforma, 21 escanos. Tras a realización do prorrateo electoral, empregando o censo a data de un de xaneiro de 2013, A Coruña pasaría de 24 escanos a 18 escanos, Lugo de 15 a 13, Pontevedra de 22 a 17 e Ourense de 14 a 13. Como vemos as urbes máis poboadas son as que máis infrarrepresentadas quedan, mentres que as menos poboadas, e con nesgo maioritario, apenas notan a modificación que imporía a nova lei electoral. Tras realizar o reparto dos escanos, e seguindo os resultados electorais dos pasados comicios de 2012, os resultados para 2016 de se producir a reforma que pretende aprobar o Partido Popular serían os seguintes: Polo tanto, o PP mantén a vantaxe fronte aos restantes partidos, que diminúen en escanos e restan a súa xa escasa forza como oposición. Seguindo a Montero e Riera, a reforma pode ter tras de si a intención, por un lado de responder a emerxencia de novos partidos que entraron con forza, e polo tanto mudar no longo prazo o sistema de partidos, e por outro banda, buscar, mediante a coartada do aforro nun contexto de crise, conseguir unha maior taxa de vantaxe. Importante destacar que a proposta reduce o número de escanos que se reparten con criterios poboacionais, e non toca os de atribución directa para manter o nesgo maioritario. En todo caso, e como di o mestre Sartori: "Electoral System is the most specific manipulative instrument of politics". Nota: O presente artigo é un primeiro resumo/adaptación dunha investigación máis ampla que desenvolvo titorado por Don José Ramón Montero, Catedrático da Universidade Autónoma de Madrid.
NOS_49307
Ecoloxistas en Acción asegura que o Goberno galego incumpre as recomendacións sanitarias respecto da mina.
O Consello de Seguridade Nuclear enviou un requirimento á Xunta para que a Administración facilite un estudo radiolóxico sobre a mina de San Finx, en Lousame. O escrito remíteo á Directora Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, Paula Urías, segundo informou a organización Ecoloxistas en Acción nun comunicado, no que asegurou ademais que o Goberno galego incumpre as recomendacións sanitarias respecto da mina de San Finx. Segundo sinalou a organización nun comunicado, a pesar de tratarse dunha mina de estaño e volframio, un estudo da Universidade de Oviedo demostrou a presenza de uraninita -o mineral do urani--. A este respecto, recalcan que remitiron no seu día este estudo, tanto á Xunta como ao Consello de Seguridade Nuclear, "maiso departamento non fixo nada respecto diso". "A pesar de que o regulamento establece que a minaría subterránea e a produción de estaño están suxeitos á presentación de declaracións sobre a exposición dos traballadores e do público á radiación e á elaboración dos correspondentes estudos radiológicos, a Xunta en ningún momento esixiu estas actuacións, nin cando aprobou o proxecto de explotación de mina en 2009 nin cando esta reiniciou a actividade en 2015 da man da actual concesionaria Valoriza Minería", recalcan. A pesar de que o regulamento establece que a minaría subterránea e a produción de estaño están suxeitos á presentación de declaracións sobre a exposición dos traballadores e do público á radiación e á elaboración dos correspondentes estudos radiológicos, a Xunta en ningún momento esixiu estas actuacións A asociación ecoloxista insiste en que, após se poñer a mina en marcha en 2009 "en ausencia de avaliación de impacto ambiental", mantivo a súa actividade até 2013, e máis tarde entre 2015 e 2018. Neste sentido, recoñecen que se descoñece o número exacto de traballadores que puideron verse expostos a potenciais radiacións ionizantes derivadas da presenza de uranio, pero apuntan a que poderían ser unhas 30 persoas, considerando que o proxecto de explotación vixente contempla un cadro de 12 operarios. "Esta forma de proceder, nun asunto no que existen riscos evidentes para a saúde pública, mostra unha falta de transparencia que só beneficia á empresa concesionaria", asegurou o representante da organización, Cristóbal López. Pola súa banda, o Goberno galego confirmou a Europa Press que xa solicitou o informe pertinente á empresa concesionaria, a quen corresponde entregalo, indican. Segundo explicaron desde a Consellaría de Economía, Empresa e Innovación, recibiron o requirimento hai poucos días e esperan pola notificación da empresa "aínda en prazo".
PRAZA_9360
As Cortes Xerais disolveranse en pouco máis de dúas semanas, tempo insuficiente para que rematen os traballos parlamentarios pendentes
As Cortes Xerais disolveranse en pouco máis de dúas semanas, tempo insuficiente para que rematen os traballos parlamentarios pendentesA data do 28 de abril elixida por Pedro Sánchez para celebrar as eleccións xerais implica que as Cortes, segundo os prazos legalmente establecidos, serán disoltas 54 días antes, o 5 de marzo. Iso deixa pouco máis de dúas semanas de lexislatura por diante, tempo insuficiente para que remate a tramitación de dúas das iniciativas parlamentarias máis relevantes que tiña abertas Galicia no Congreso, o traspaso da AP-9 e a comisión de investigación sobre o accidente de Angrois. No caso da AP-9, a iniciativa para o seu traspaso a Galicia xa viña herdada da anterior lexislatura e agora volverá quedar pendente para a seguinte. Esta mesma semana o presidente Feijóo reiterou que os populares galegos intentarán emendar o texto da transferencia antes da súa votación, o que dilatará novamente o debate. En todo caso, este non volvería darse ata que así o decida a Mesa do Congreso, como pasou nesta lexislatura, na que o PP e a presidenta da Cámara, Ana Pastor, a bloquearon en varias ocasións.Despois de tres lexislaturas, e cinco anos e medio despois do accidente, a investigación política do mesmo queda sen conclusiónsCanto á comisión de investigación sobre o accidente de Angrois, que as vítimas reclamaron desde poucos meses despois do sinistro, PP e PSOE bloqueárona ata que a volta de Pedro Sánchez á secretaría xeral dos socialistas fixo que estes cambiasen de postura e deixasen de vetala a mediados de 2017, catro anos despois do accidente. Porén, desde aquel momento outros obstáculos impostos por socialistas e populares impediron que as comparecencias comezasen ata o pasado xullo. Estas remataron o pasado luns, coas intervencións dos ex-ministros José Blanco e Ana Pastor, pero está pendente unha posible nova comparecencia a porta pechada das vítimas ante os portavoces dos partidos e, despois, a elaboración das conclusións e as negociacións sobre as mesmas entre todas as formacións, para o que xa non queda tempo antes da disolución das Cortes. Con ela, a comisión de investigación darase tamén por rematada, sen conclusións, que só poderían retomarse se así o decide o próximo Congreso dos Deputados. Ademais destas dúas cuestións pendentes no Congreso con incidencia directa en Galicia, o desencadeante da actual convocatoria, o fracaso dos orzamentos estatais para 2019 presentados polo Goberno de Sánchez, fará que sigan en vigor, prorrogados, os orzamentos de 2018, que permitirán que sigan avanzando as actuacións xa en marcha que neles tiñan partidas. A nivel estatal, moitas outras medidas quedan no aire á espera do que o Goberno poida aprobar por decreto nas dúas próximas semanas.
NOS_40347
Mantiveron unha xuntanza para analizar os topes para xarda, sardiña e xurelo e o seu impacto económico e laboral na frota galega.
Representantes do BNG e da Asociación do Cerco de Galiza (Acerga) reuníronse esta cuarta feira para analizar a situación derivada da redución de cotas en dteerminadas especies como a xatda, a sardiña e o xurelo e o seu impacto sobre o sector do mar galego. O portavoz nacionalista de Pesca no Parlamento galego, Daniel Rodas, amosou o compromiso do BNG en trasladar ás institucións as demandas e peticións de Acerga a raíz dun modelo de cotas que "condena o sector á desaparición". O deputado lembrou que a flota galega conta cunha regulación de capturas dende hai 30 anos e foi a propia conselleira do Mar, Rosa Quintana, a que trasladou a Madrid "a liberalización das capturas" o que, na súa opinión, representa "un suicidio para o sector". O portavoz do cerco, Andrés García afirmou que "non se pode repartir o que non se ten" en relación ás 19.000 toneladas de sardiña para Portugal e Estado español, unha caída do 26% do xurelo no Cantábrico e Noroeste, e unha redución da xarda nun 15%. Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa, recalcou que o actual modelo produtivo "discrimina a Galiza", a pesar do cumprimento e plan de xestión da flota galega.
NOS_29883
A Federación Galega de Comercio constata desconfianza entre as persoas consumidoras, que reducen o gasto nas súas compras de Nadal.
A Covid-19 vai provocar que o Nadal de 2020 sexa diferente a todos os demais, e iso tamén vai ter repercusións no consumo. O temor á perda de emprego unha vez finalicen os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) está a provocar unha contracción das compras típicas desta época do ano, advirte o presidente da Federación Galega de Comercio, Xosé María Seixas. Segundo explicou onte no transcurso dun acto no que participou xunto ao director do Igape, Fernando Guldrís, e ao director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, no que presentaron o balance de axudas da Xunta ao sector a través dos cheques de dixitalización, Seixas recoñece que o sector detecta "desconfianza" das persoas consumidoras. "Non é seguro que cando se acaben os ERTE se manteña o emprego. O consumidor sábeo. Hai desconfianza do que vai vir e iso retrae as vendas do comercio, que está a vender menos", sinalou. Neste sentido, o directivo da Federación Galega de Comercio deu por feito que "non vai ser un Nadal como os outros" e "vai ser difícil" conseguir bos datos. Ademais, a caída da facturación no que vai de ano "é moi importante" e "por moi ben que vaia a campaña non vai cubrir o resto do ano", apuntou. Axudas á dixitalización Unha das saídas que procuran moitos comerciantes para darlle a volta a esta situación é probar sorte co comercio en liña. Neste senso, o director do Igape valorou o "esforzo" destes negocios para "adaptarse" ao actual panorama. Pola súa banda, o presidente dos comerciantes galegos chamou a atención sobre que "ninguén dubida" desta "necesidade", cuxos resultados "se aceleraron" coa pandemia. A modo de exemplo, expuxo que nos "tres meses de restricións de mobilidade concentrouse practicamente o mesmo número de compradores en liña que en 2019". Ademais, segundo os seus datos, 29,7% das persoas que mercaron online aseguraron incrementar a súa actividade de compra. En canto ao gasto medio realizado durante este período, Seixas situouno entre 101 e 500 euros. Con todo, recoñeceu que os ERTE, que afectan tanto ao comercio como a outros sectores, están a ser un "hándicap" importante na presente campaña de Nadal do comercio galego.
PRAZA_3338
Nas municipais de 2019 en Lugo, a esquerda tivo uns 5.000 votos máis que a dereita pero case toda esa diferenza ficou sen representación; as mesmas formacións que padeceron ese efecto daquela poden telo ante si o 5A
Nas eleccións municipais de maio de 2019 en Lugo, as principais forzas da dereita obtiveron algo máis de 20.500 votos e as candidaturas máis representativas da esquerda superaron os 25.000. No entanto, ata ben avanzado o reconto, o PP acariñou a alcaldía. Contaba con 11 escanos que, cos 2 de Ciudadanos, sumaban maioría absoluta.Finalmente esta circunstancia no se deu; o PSdeG retivo as súas 8 actas e o BNG rematou a noite con 5, dando lugar á maioría que actualmente goberna a cidade. A razón pola que a esquerda lucense estivo a piques de perder o goberno local malia á devandita diferenza de votos estivo en que case toda esa diferenza quedou sen representación.Nas municipais de 2019 en Lugo, a esquerda tivo uns 5.000 votos máis que a dereita pero case toda esa diferenza ficou sen representación; as mesmas formacións que padeceron ese efecto daquela poden telo ante si o 5AA coñecida como esquerda rupturista estaba representada neses comicios por tres siglas, Podemos, Lugonovo e ACE-EU. Ningunha delas sobrepasou o limiar do 5% que a lei esixe para entrar no reparto de edís e os seus máis de 4.500 votos, que nunha eventual alianza os converterían en cuarta forza da cidade, por diante de C's, ficaron fóra da corporación.Ese efecto Lugo é o que pode ter ante si este mesmo espazo político se, como apuntan as declaracións públicas dos seus líderes e dá a entender a marcha das negociacións á procura de alianzas, concorre ás eleccións galegas do vindeiro 5 de abril dividido en ata tres opcións políticas diferentes. Unha delas, dúas ou mesmo as tres poden bater co limiar do 5% imposto en solitario pola maioría absoluta do PP de Fraga no seu primeiro mandato. Tratábase, xustificaran os conservadores, de poñer fin á "atomización ideolóxica" no Parlamento e por iso elevaban o limiar do 3% ao 5%.Durante as cinco lexislaturas seguintes á reforma de Fraga, no Parlamento só entraron tres forzas; especialmente en Lugo e Ourense, o limiar é, a efectos prácticos, superior ao 5%Durante as cinco lexislaturas seguintes -1993, 1997, 2001, 2005 e 2009- o Parlamento galego pasou a estar composto unicamente por tres forzas, PP, PSdeG e BNG. En 2012 e 2016 logrou entrar unha cuarta na beira esquerda (primeiro AGE e despois, En Marea) cadrando con fortes devalos electorais tanto dos socialistas como do Bloque. Especialmente nas circunscricións interiores, Lugo e Ourense, o limiar a efectos prácticos sobe alén do 5%; mostras disto é, por exemplo, que en 2016 o BNG tivo un único escano por cada unha destas circunscricións malia superar o 7% na lucense -máis de 13.000 votos- e e ficar no 6% na ourensá -algo máis de 10.000-.Negociacións de Podemos, Anova e as mareas e plans de En MareaEstes cálculos, admiten fontes das negociacións, están tamén sobre a mesa duns contactos que cando menos polo momento non frutifican entre Unidas Podemos, Anova e as mareasEstes cálculos, admiten fontes das negociacións, están tamén sobre a mesa duns contactos que cando menos polo momento non frutifican cara á conformación dunha alianza entre as forzas integradas en Unidas Podemos -Podemos e Esquerda Unida- baixo a marca Galicia en Común con Anova e as principais mareas municipais -Marea Atlántica e Compostela Aberta. A candidatura á Presidencia da Xunta, o recoñecemento das formacións municipalistas na alianza ou a preponderancia de Podemos son algúns dos elementos de diverxencia que, admiten as fontes consultadas, seguen existindo.Nesta liña expresábase este sábado o portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, no marco da coordinadora nacional da formación, que ten encomendada a Martiño Noriega a interlocución co resto de forzas. "Nestes momentos", di, "constatamos unha sintonía moi grande coas mareas municipais" mentres que "a proposta que se pon enriba da mesa por parte de Unidas Podemos é que nos sumemos a Unidas Podemos, e iso non é a confluencia". "Seguiremos dialogando", asegura, sen pechar a porta a unha candidatura de Anova coas formacións municipalistas.Podemos Galicia continúa o proceso de Primarias con Gómez-Reino aspirando á candidatura á XuntaMentres continúan os contactos e as negociacións, Podemos constataba este propio sábado o remate do prazo de presentación de candidaturas, con Antón Gómez-Reino, secretario xeral, como aspirante á competir pola presidencia da Xunta, posto ao que tamén concorre o militante ourensán Martín Bardelas. Para o resto de postos das listas ao Parlamento presentaron as súas candidaturas 93 persoas, entre elas actuais deputados de Común da Esquerda como Luca Chao, Marcos Cal ou Julia Torregrosa.Villares afirma que En Marea "traballa por conseguir un acordo en clave soberanista e coas mareas municipalistas"Mentres continúan estes contactos, pola banda de En Marea o seu voceiro, Luís Villares, aseguraba este sábado tras reunir á dirección da formación que están a "traballar en conseguir un acordo con todas as forzas en clave soberanista, pero tamén coas mareas municipalistas". En calquera caso, agregou, tras o peche do prazo para o rexistro de coalicións, o día 21, prevén iniciar un proceso de primarias. Ao seu xuízo, "os votos de formacións como En Marea serán chave para conseguir un cambio de goberno na Xunta".Deste xeito, ningunha das partes implicadas desbota, cando menos de momento, que ademais de PSdeG e BNG o vindeiro 5A haxa, no eido da esquerda, unha candidatura de Unidas Podemos, outra de Anova e as mareas municipais e unha terceira de En Marea. O efecto Lugo e a lei de Fraga contra a "atomización" segue presente na mesa de negociación.
PRAZA_10148
Daquela, Leopoldo López, hoxe "hospede" da embaixada de España, xa exercía de portavoz do seu primeiro Golpe de estado e era un activo militante da represión política
O 12 de abril de 2002, María Cristina Iglesias, Ministra de Traballo do Goberno de Hugo Chávez, acodía temerosa á Embaixada de España en Venezuela. Suplicaba ao Embaixador Español, Manuel Viturro de la Torre, protección para ela e/ou para a súa familia, diante do golpe de estado promovido pola oposición venezolana, baixo o paraugas protector dos EEUU.Invocaba perante o embaixador a orixe galega común de ambas familias. Manuel, aínda que nacese en Londres, é fillo do galego Manuel Viturro Somoza, quen na década dos vinte, do pasado século, era asiduo colaborador do semanario coruñes "Marineda", onde tamén facían as súas achegas: Castelao, Wenceslao Fernández Florez, Julio Camba, etc.Ela, de pai monfortino, traballador da compañía de ferrocarrís, naceu en Valladolid, por mor dun destino de traballo.A embaixada foi un hermético e frío muro de inhumanidade ante as demandas de protección de María Cristina.Manuel pasou tristemente á historia coma o único embaixador estranxeiro que visitou e recoñeceu o goberno do presidente da patronal venezolana, Pedro Carmona, instado polo Presidente do Goberno español, José María Aznar.Daquela, Leopoldo López, hoxe "hospede" da embaixada de España, xa exercía de portavoz do seu primeiro Golpe de estado e era un activo militante da represión política. Como alcalde de Chacao, sen ter autoridade legal para facelo, participou na detención do ministro dun goberno democrático. Rodríguez Chacín..Mentres, outros correlixionarios de "Primero Justicia", capitaneados polo alcalde de Baruta, Henrique Capriles, asediaban a embaixada de Cuba, tratando de invadila e cortando os suministros de luz e auga.17 anos máis tarde, Leopoldo López, que leva ás súas costas o liderado de tres golpes de estado, que promove accións violentes con ducias de mortos, que chama aos militares a alzarse en armas, que ten cargado dialecticamente contra dos procesos de mediación e os seus mediadores (Zapatero, O Papa)... Pide refuxio na mesma embaixada. Solicita protección diante das orde de detención, alegando a inviolabilidade dos recintos diplomáticos.Por máis que o goberno venezolano faga un mal desempeño da economía ou da política... Por máis que sexa un goberno que dana o prestixio e a capacidade política da esquerda mundial... Un golpe é un golpe, é antítese do respecto as liberdades e a democracia.Se a estancia de Leopoldo López na embaixada, servise para negociar unha solución negociada, pacífica e democrática á crise venezolana pagaría a pena. Mais nin na folla de ruta do dirixente de "Voluntad Popular", nin na dos EEUU, se contempla esta posibilidade.
NOS_15392
Máis un número do semanario saído do prelo. Entrevistamos a escritora Eli Ríos e tamén Néstor Rega, da Executiva do BNG, lembramos Bautista Álvarez, non perdemos fío do que está a pasar en Catalunya, e debullamos que relación hai entre a ?Nazón galega" e o "Pan do Porriño". Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.
A experiencia, cando menos a máis recente, indica que os procesos de transformación do espazo urbano traen aparelladas fortes resistencias. Na Galiza hai varios exemplos, aínda que se cadra ningún tan ambicioso e tan significativo como o de Pontevedra. Hoxe, dezaoito anos despois, practicamente ninguén dubida do éxito que supuxo a todos os niveis e son testemuñais as voces que sosteñen que ten volta atrás. 'Peonalización: virar as resistencias'. 'Bautista Álvarez, unha vida ao servizo da nación'. Máis de 60 anos de compromiso patriótico levaron Bautista Álvarez (Las, San Amaro, 1933 – Beariz, 2017) a ser exemplo dunha militancia a proba de lume e a participar na recuperación do corpo doutrinal do nacionalismo anterior a 1936. Neste semanario recuperamos a traxectoria dunha figura clave da política galega. Compostela, Verín, A Estrada, Ribadeo, Pontevedra, Viveiro, Sarria, Foz, Santiso de Abres, Ferrol, Ordes, A Coruña, Vigo, Marín... e así ate chegar a máis de 1.700 persoas que ateigaron as presentacións que acolleron as citadas localidades e que terán continuidade ao longo das próximas semanas e meses. A afluencia de público e a reedición de Os nomes do terror após esgotar a primeira tirada en apenas un mes demostran o suceso do libro pioneiro sobre os represores na Galiza. 'Os nomes do terror, un fenómeno editorial'. En 'Feijóo encastélase na defensa do réxime' falamos de como o presidente galego aposta en se atrincheirar no bunker do 78. "As bases democráticas son para ter soberanía", dinos Néstor Rego, da Executiva do BNG. Este sábado 23 de setembro o BNG apresentará en Compostela as súas Bases Democráticas para unha Nova Galiza. Unha iniciativa que tenciona abalar os decrépitos alicerces dun edificio -o do réxime de 1978- que está a desabar, a caír, incapaz de procesar as demandas democráticas dos pobos, con Catalunya á vangarda. Neste número achegámonos á "limpeza étnica de manual" que o exército birmano está a facer cos ruaingás, minoría musulmá. E non perdemos de vista a situación en Catalunya, onde o Estado español redobra a aposta represiva para intentar afogar o referendo do 1-O. O Parlamento de Galiza aprobou, cos únicos votos a favor do PP, a toma en consideración da lei de fomento de iniciativas empresariais, unha norma que acendeu os sinais de alerta non só na oposición, senón tamén en colectivos e organizacións sociais e ambientalistas. Todos coinciden na preocupación perante un proxecto de lei que, aseguran, fai saltar polos aires garantías e mecanismos de control para deixar a porta franca á cobiza de grandes empresas. 'Porta franca ao espolio'. E en análise tratamos a reforma agraria galega. No selfie entrevista falamos con Maunqup, a cantante de orixe francesa e residente no rural de Ourense que gañou o premio Narf. 'Da antigüidade da "Nazón galega" e do "Pan do Porriño" Perfecto Ramos fálanos de que une estas dúas realidades. Entrevistamos Eli Ríos, que nos confesaba que "procuraba unha obra que chegase directamente ao hipotálamo". Felipe Senén lémbran os o cal, "aliado das pedras e as labras". Neste número, ademais, as achegas de Xoán Costa, Marga do Val, Nachortas e Tokio, D. Otero, Francisco Castro, Merce Espiño, Colectivo Xea, Mario Regueira, Andrés Castro, Olaia Ledo, Alexandre P. Vigo e Navia Rivas.
PRAZA_19405
O motivo deste artigo é que tiven acceso a una filtración segundo a cal mañá se vai publicar na sala dunha Audiencia madrileña orde de detención inmediata contra os autores das cantigas de escarnio e maldicer por inxurias á terceiros, desacato á autoridade, delitos de odio, expresións soeces, ofensa ás crenzas relixiosas e outras figuras penais
Acabo de saber que ao exministro todopoderoso de Aznar lle meten catro anos de trullo por saquear una caixa de aforros que estafaba os clientes anciáns, os pequenos accionistas, en xeral a toda persoa que tivese alí os seus aforros e á propia entidade, cuxo rescate enriba acabou custándonos a todos varias ducias de milleiros de euros. A noticia da condena convive casualmente coa imposta ao rapeiro autor dunha cantiga sobre a familia real. As condenas son semellantes e os comentarios sobran. O motivo deste artigo é que tiven acceso a una filtración segundo a cal mañá se vai publicar na sala dunha Audiencia madrileña orde de detención inmediata contra os autores das cantigas de escarnio e maldicer por inxurias á terceiros, desacato á autoridade, delitos de odio, expresións soeces, ofensa ás crenzas relixiosas e outras figuras penais que se detallan individualmente, ao abeiro da Lei de Seguridade Cidadá en vigor. Algúns dos nomes que as nosas fontes nos facilitaron son: Don Airas Nunes, Don Airas Peres Vuiturón, Don Afonso X… alcumado "O Sabio", Don Martín Moxa, Don Pero da Ponte, Don Johan Soares de Pavia, Don Afonso Eanes do Cotón, Dona María Balteira (esta última baixo acusación de escándalo público). Prepárase tamén outra orde contra personaxes como Sócrates, Dióxenes, Petronio, Marcial, Catulo, o Alcipreste de Hita, François Rabelais, Francisco de Quevedo, William Shakespeare, Jonathan Swift, Francisco de Goya, Charles Chaplin, Georges Brassens, Suso Vaamonde, Miguel Gila, a banda dos Monty Python ou o comando dos Simpsons. A ignorancia desta orde non exime das responsabilidades que se deriven (eu creo que isto vai por Sócrates) e, de non presentarse no xulgado que emite o escrito ou diante do xulgado ou a comisaría de policía máis próxima no prazo que se establece, serán declarados en rebeldía e ditarase orde de detención inmediata da que se dará traslado e cursará copia a Interpol e o FBI. A presente orde non pecha en ningún caso a posibilidade de que se persiga así mesmo por vía penal a cantos cantasen, tarareasen ou aplaudisen na interpretación das cantigas dos arriba citados, risen coas súas películas ou os seus chistes, parasen diante dos seus cadros ou recomendasen a lectura dos seus panfletos. A distancia cos feitos non se considera tampouco eximente (aquí cítase com xurisprudencia a sentenza que recentemente condenaba a una moza por facer un chiste sobre Carrero Blanco). Item máis, se se derivasen multas económicas, os condenados deberán satisfacer as cantidades impostas xunto cos intereses que se devenguen desde a comisión da falta ou o delito. Que se preparen Dióxenes e Catulo, vailles caer o pelo.
NOS_23186
Unha traballadora dunha unidade de coronavirus denuncia nas redes sociais a grave situación que teñen as e os doentes. Ademais de ser unha chamada de atención á cidadanía e de lamentar que non haxa espazo para tratar enfermidades que non sexa o coronavirus, a galega advirte: "Esta onda non a surfeamos".
A preocupación pola presión hospitalaria sucédese desde hai semanas. Os datos de infectadas da Covid-19 son cada vez máis preocupantes e os equipos sanitarios están ao límite das súas forzas. Proba desa difícil situación son as declaracións que foron xurdindo nas últimas xornadas, como unha chamada de atención á poboación galega para autoconfinarse na medida do posíbel. Esta cuarta feira xurdía unha nova denuncia por parte doutra sanitaria galega que, cunha mensaxe abrumadora e con certa ironía, advertía da realidade que gran parte da sociedade galega non quere ver. Se a xente continúa a facer a súa vida como se non sucedese nada "esta onda non a surfeamos". Con palabras brutalmente honestas, vén a representar o sentir de moitas e moitos ao falar só por si mesma. Nunha plataforma social explica que, após pasar uns días axudando nunha unidade á que derivaron a pacientes da que é a súa habitual (agora reconvertida en espazo para doentes do virus), regresou a unha quenda das largas na que tivo que ver 13 camas ocupadas por infectadas. "A metade delas estaban co cú en pompa... Non estaban tomando o sol, non. Para que quede claro... en decúbito prono, boca abaixo, 16 horas. Porque así se respira mellor", lamenta. A esta mensaxe de alerta para galegas e galegos engade que "a cousa está moi mal". Aliás, nesa mesma noite ingresaron outras tres persoas, todas elas con dificultades para respirar. "Chegaron afogando e metímoslle un tubo pola boca até os pulmóns para respirar", di. "E pinchámoslles nunha arteria para meter un catéter para controlar a presión arterial de forma continua. E outro pinchazo nas veas do pescozo para ter acceso e pór medicación. Porque precisamos todo iso. Porque como xa o vivimos sabemos que nunha semana precisará moita axuda para respirar porque a esas alturas é cando o destrozo pulmonar "fai das súas". Iso é que o tubo se obstrúe e o aire non entra", insiste no escrito. De forma irónica, a sanitaria di que as equipas están "agotadas" e que "salvadas" as festas de Nadal, agora queda ver o número de falecementos incontrolábel pola dura acción da Covid-19. Por outra banda, avisa de que máis vale non enfermar doutra cousa porque non hai medios para atender ás e aos pacientes.
PRAZA_8995
Luz López, secretaria xeral de CCOO-Ensino, presentou este mércores o Libro Verde da Educación elaborado polo sindicato, un elaborado diagnóstico da situación que recolle tamén as propostas alternativas á Lei Wert.
Luz López, secretaria xeral de CCOO-Ensino, presentou este mércores o Libro Verde da Educación elaborado polo sindicato. O libro, que leva meses sendo presentado en todo o Estado, comeza facendo un diagnóstico da situación actual do ensino e de que aspectos se deben mellorar. A continuación debulla as criticas que dende CC.OO. se lle fan ao proxecto de lei da LOMCE e finalmente realiza un conxunto de propostas para mellorar o sistema educativo en contraposición coas que fai a LOMCE. "O Goberno sacou un proxecto de lei sen ningún tipo de consenso nin debate e nós o que pretendemos con este libro é manter o debate aberto e que toda a comunidade educativa poida realizar achegas", explica Luz López, que conclúe que "esta lei é completamente regresiva e non vai mellorar en absoluto as carencias que si ten o sistema educativo". "O Goberno sacou un proxecto de lei sen ningún tipo de consenso nin debate e nós o que pretendemos con este libro é manter o debate aberto e que toda a comunidade educativa poida realizar achegas" A proposta do ministro Wert, aprobada xa polo Consello de Ministros, iniciará agora o seu trámite parlamentario. Dende os colectivos opostos á reforma existe o temor de que o PP module os tempos para facer coincidir a súa apobación -previsiblemente cos seus únicos votos- cun momento de desmobilización da comunidade educativa: xullo ou o comezo do mes de setembro: "Eles teñen a forza parlamentaria suficiente para xogar cos tempos e van tentar que a comunidade educativa estea máis apagada. Por iso o obxectivo é manter as mobilizacións até final de curso para retomalas con forza en setembro. Pero si que existe a posibilidade de que se aprobe en xullo e aí a comunidade educativa estaría máis desmobilizada", afirma Luz López. A responsable de CCOO-Ensino tamén salienta que "esta lei ratifica e pon por escrito os recortes que se viñeron facendo en todos os servizos públicos e polo tanto no ensino" A responsable de CCOO-Ensino tamén salienta que "esta lei ratifica e pon por escrito os recortes que se viñeron facendo en todos os servizos públicos e polo tanto no ensino" e engade que "estamos nun momento de moita precariedade no que se refire á dotación orzamentaria e de persoal dos centros. Perdéronse en toda España 60 mil postos de traballo no sistema educativo. Esta lei asenta e agrava os recortes. O que pretenden é modificar o sistema educativo para dende el modificar o sistema social como eles queren". Tamén lembra que o Goberno "está esforzándose moito" para que a aprobación da LOMCE non coincida no tempo coa reforma da lei universitaria estatal: "non queren que coincidan no tempo porque saben que así nos poderían por a toda a comunidade educativa en pé de guerra. E vendo a LOMCE non é difícil prever que liñas pode ter esa reforma universitaria". Descarga o Libro Verde da Educación (.pdf)
NOS_14235
Descenden lixeiramente os casos activos e a taxa de positividade volve a niveis inferiores a 5%, agás en Vigo e Pontevedra.
A Galiza mantense arredor dos niveis de casos de Covid-19 diarios detectados nas últimas xornadas, co número de positivos oscilando entre os 300 e os 400. Con todo, la presión hospitalaria rebáixase lixeiramente este sábado, logo de se produciren unha serie de altas que deixan o total de hospitalizados en 337 (27 menos). Porén, o alivio non afecta as unidades de coidados intensivos, que contan cun paciente máis. Así o mostra a actualización de datos publicados a primeira hora deste sábado pola Consellaría de Sanidade, con cifras recollidas até as 18 horas da sexta feira. Así, diagnosticáronse por PCR un total de 339 persoas, o que supón unha baixada de 28 a respecto do día anterior. Os casos activos baixan levemente até os 5.633 nunha xornada na que se practicaron máis de 7.742 PCR, 1.356 máis que na xornada anterior, que rexistrara unha baixada importante. Delas, 4,5% foron positivas (por baixo de 5% que marca a OMS para dar por controlada la pandemia). Por áreas sanitarias, só Vigo, con 5,7%, e Pontevedra, con 9%, estiveron por riba do limiar. A Coruña (3,9%), Ferrol (3,5%), Lugo (4,3%), Ourense (2,2%) e Santiago (3,4%) mantéñense máis controladas. Ingresados En total, hai persoas 337 ingresadas con Covid-19 nos hospitais da Galiza, das que 281 están en planta (28 menos) e 56 en críticos (un máis). As subidas de volume de pacientes hospitalizados nas áreas de Santiago e Ferrol compénsanse coas altas rexistradas nos cinco restantes distritos sanitarios. En Santiago-Barbanza hai 72 persoas ingresadas (4 máis), das que 6 están en UCI (sen cambios); mentres na Coruña-Cee baixan a 72 (seis menos) o global de hospitalizados e a cifra de críticos mantense en 14. En Vigo descenden a 57 os ingresados (9 menos), con 12 en UCI (un menos). Pontevedra-Salnés rexistra un importante número de altas que fan baixar a 45 os ingresados (10 menos), con oito en críticos (un menos). Na área de Ourense-Verín-O Barco redúcense en tres os hospitalizados até os 35, con 3 na UCI (un máis); mentres en Lugo-Mariña-Monforte baixan a 19 (catro menos) con case a metade (7, un máis), en críticos. Por último, en Ferrol hai 37 persoas hospitalizadas, dúas máis ca onte, con 6 na UCI (unha máis). Santiago e Vigo, as máis afectadas Vigo e Santiago-Barbanza seguen como as áreas que máis infeccións reportan, se ben os niveis de positivos volven descender e equipáranse aos de Pontevedra-Salnés ou A Coruña-Cee, onde medraron en relación á xornada anterior. En Lugo-Mariña-Monforte suben tamén os positivos, que retroceden en Ourense-Verín-O Barco e Ferrol. Falecementos Unha xornada máis, as vítimas mortais da pandemia na Galiza continúan en aumento e ascenden a 1.336, após o pasamento de catro persoas nas últimas horas. Delas, dúas estaban vinculadas a residencias. Sanidade recolle que desde o principio da pandemia se diagnosticaron con Covid-19 58.730 persoas, das que 51.746 se curaron, 373 nas últimas 24 horas.
NOS_47477
Sindicatos tachan a negociación de "pouco frutífera".
A folga no sector do metal ourensán xa acumula máis de 10 días e, polo de agora, continuará de forma indefinida, segundo sinalou a Nós Diario Indalecio Gómez, secretario da CIG-Industria en Ourense. Gómez explicou que "a participación na folga é moi ampla e que o persoal laboral está secundando os paros." O sector do metal mobilízase no Carballiño e prosegue a folga indefinida "Mentres non solucionemos o problema da revalorización salarial, pois reivindicamos un IPC real para o metal, tal e como berramos, a mobilización seguirá", sinalou o sindicalista. "Manterémonos na folga até conseguir garantir o noso poder adquisitivo", redundou Gómez. A pasada terza feira, representantes sindicais do persoal laboral mantiveron unha reunión de máis de oito horas coa presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais e a patronal do metal ourensán na Casa do Chocolate (edificio da Xunta). "Foi un encontro moi pouco frutífero, a patronal está mareando a perdiz, falando coloquialmente", afirmou Gómez. "Nós si fixemos concesións, mais sempre dentro dunhas liñas vermellas porque o marxe de negociación é moi pequeno por ambas as partes", explicou. "Despois de oito horas non se moveron máis que medio punto (de incremento nos salarios)", remarcou o sindicalista. A fenda entre a suba do IPC e o incremento dos convenios é de máis de sete puntos porcentuais A pasada segunda feira tivo lugar unha manifestación do sector do metal ourensán polas rúas de Ourense, unha mobilización que foi cualificada polas tres centrais sindicais convocantes (CIG, CCOO e UXT) como un "rotundo éxito". A folga indefinida "segue a parar practicamente 100% do sector e centos de traballadoras e traballadores forman parte dos piquetes", resaltaron os tres sindicatos, que tamén denunciaron as "cargas policiais" durante a mobilización. A representación das persoas traballadoras do sector do metal ourensán exixen, na súa última proposta, "6,5% (de revisión salarial no convenio) para o ano 2022, 6,5% para o ano 2023 e 5% para o ano 2024", ademais da "cláusula de revisión co IPC que garanta o poder adquisitivo para a clase traballadora". 360 empresas do metal fecharon na Galiza desde o inicio da pandemia Ademais, os organizadores do XIII Salón do Automóbil de Ourense, previsto para os días 14, 15 e 16 de outubro, decidiron cancelar o evento por mor da folga do sector do metal. "No transcurso da negociación comentamos que neste contexto de folga indefinida intentaríamos que o salón non se celebrara con normalidade, polo que as persoas traballadoras do metal ourensán podemos considerar este anuncio como un vitoria entre comiñas", explicou Indalecio Gómez a este xornal.
NOS_42150
Entregoullo vía rexistro municipal a responsábel de acción feminista do BNG na comarca herculina, Vitoria Louro, coa advertenza de que "as mulleres non nos cansaremos de berrar que non queremos os seus rosarios nos nosos ovarios". A acción serviu para reivindicar o dereito delas a decidiren sobre os seus embarazos.
"As mulleres non nos cansaremos de berrar que non queremos os seus rosarios nos nosos ovarios", sentenciou Vitoria Louro, responsábel de acción feminista do BNG na comarca da Coruña en alusión ao PP e ao seu representante na cidade herculina, o alcalde e presidente provincial Carlos Negreira. Louro acusou á formación conservadora de seren "o brazo executor" da ofensiva da Conferencia Episcopal contra o dereito de autodeterminación das mulleres sobre os seus corpos e, nomeadamente, das grávidas sobre os seus embarazos. Aproveitando as festas de inverno en que nos atopamos, a nacionalista e feminista quixo ter un agasallo co rexedor Negreira que lle recorde que "loitaremos contra esta reforma da lei do aborto" e que "non hai maior inimigo das mulleres que a Conferencia Episcopal, fascista e patriarcal, e o PP que se axeonllea aos seus ditados". Con tal obxectivo, entregou no rexistro municipal da Coruña un rosario de contas simbolizando, aliás, "a querencia do PP de recorrer a pregarias a imaxes relixiosas para agochar a súa incompetencia á hora de ofrecer solucións á cidadanía". Neste sentido, Louro recordou os rezos que o propio Negreira ofreceu á virxe do Rosario, padroa da cidade; e aqueloutros que a ministra de Emprego, Fátima Báñez, dedicou á virxe do Rocío. Repulsa polo asasinato de Isabel: "seguirán a matarnos" Pondo o acento no asasinato de Isabel Pérez Fraga, perpetrado polo seu compañeiro sentimental en Marín na quinta feira 26, Vitoria Louro rexeitou que as medidas do PP desmantelan os avances conqueridos en materia de equidade e "seguirán a matarnos" porque o que pretende a formación conservadora é "que sexamos sumisas ao home" mais tamén porque a contrarreforma do dereito ao aborto "obríganos a acudir a métodos clandestinos e inseguros cando non queiramos seguir adiante cun embarazo". A desta segunda feira foi unha acción simbólica en prol da autodeterminación delas sobre os seus corpos, autodeterminación que o Bloque reivindicará presentando mocións en todos os concellos da Galiza e exixindo no Congreso español a comparecencia d@s titulares de Xustiza e Sanidade, Alberto Ruíz-Gallardón e Ana Mato.
NOS_39097
Unha nota oficial da chancelaría ecuatoriana recoñece que a interrupción do servizo de internet a Julian Assange ten a ver coa campaña eleitoral en curso nos EUA.
Assange ficou sen acceso á rede após o sábado Wikileaks ter filtrado información que demostraría que Hillary Clinton ofereceu conferencias pagas pola financeira Goldman Sachs. Ecuador tomou a decisión de suspender a conexión de Assange de forma temporal, o que indica que restabelecerá o servizo en canto a campaña eleitoral concluír. "O Goberno do Ecuador respeita o principio de non intervención nos asuntos doutros países, e non se inmisce en procesos eleitorais en curso nen apoia un candidato en especial", di a chancelaría ecuatoriana. E engade: "Esta restrición temporal non impide que a organización Wikileaks leve a cabo ás súas actividades xornalísticas". Iso é certo, tamén o é que as entorpece, tendo en conta que é Julian Assange o coordenador do portal. Wikileaks acusa John Kerry, secretario de Estado dos EUA, de presionar Quito para desactivar Assange. Ecuador nega a existencia de calquera intromisión norteamericana. "A política exterior do Ecuador responde exclusivamente a decisións soberanas e non cede perante presións doutros países", afirma. Ecuador xa esclareu esta segunda feira que este incidente non afecta a vixencia do asilo de Assange, quen mora na súa embaixada en Londres desde o verán de 2012.
NOS_15082
O Sinn Féin vén de conseguir ser a forza máis votada en Irlanda do Norte por primeira vez na súa historia. 'Nós Diario' conversou con Martina Anderson, responsábel das relacións con Europa deste partido, sobre a formación de Goberno en Irlanda do Norte e os principais retos que tería o Sinn Féin no liderado do Executivo.
—O Sinn Féin obtivo unha histórica vitoria nas eleccións de Irlanda do Norte. Haberá Goberno? Estamos a facer un chamamento a todos os partidos políticos, especialmente ao Partido Democrático Unionista (DUP), para formar Goberno. É a primeira vez que estamos certos de que o Sinn Féin terá unha primeira ministra para toda a sociedade. Moita xente nunca pensou que chegaría o momento no que unha forza nacionalista e republicana sería a primeira nas urnas. A vitoria de Michelle O'Neill, unha muller nacionalista, aporta esperanza e expectación, o Sinn Féin é un partido de convicción, cunha visión de tomar o camiño para unha vida mellor nunha nova Irlanda. Non aceptamos que ninguén nos diga que o cambio non pode ocorrer e que o Status Quo vai ser mantido. O noso partido, coa súa historia de loita, ten sido criminalizado e menosprezado, e agora temos unha primeira ministra designada e somos a maior forza política no norte de Irlanda, e no sur, todo o mundo mira para a nosa líder, Mary Lou Macdonald. Cando tes sido consistente e segues un patrón coherente, a xente mira para ti como unha opción. É histórico o que aconteceu, co Sinn Féin obtendo 29% dos votos, e traballaremos para que sexa formado un novo Goberno, as conversas están tendo lugar neste mesmo momento. —Que pasos daría un Goberno liderado polo Sinn Féin para lograr a reunificación de Irlanda? O dereito á autodeterminación foi gañado co Acordo do Venres Santo hai 24 anos e por seis mandatos os unionistas teñen fallado este mandato democrático. Nós argumentamos que as condicións para un referendo de reunificación existen, e a nosa aposta é planear e preparar un cambio constitucional que pase polo estabelecemento dunha asemblea cidadá para que os diferentes sectores sociais de Irlanda fagan parte da conversa sobre a pregunta que se lle debe facer ás persoas irlandesas. Non estamos pedindo un referendo a próxima semana nin o próximo mes, incluso non neste mesmo ano, apostamos por unha planificación axeitada para que non aconteza a mesma desfeita que no Reino Unido co Brexit. As autoridades dos Estados da Unión Europea (UE) tamén teñen o deber e a responsabilidade de asegurar que todo o territorio dunha Irlanda reunificada pode ría permanecer na alianza europea e tamén necesitariamos asistencia da UE nos primeiros momentos pois sería unha transición cara á unidade e non algo instantáneo. O papel da UE ten que ser o de apoiar o proceso sen interferir, ten que ser a xente de Irlanda quen decida de que unión quere facer parte. —Cal sería o rol do diálogo co Reino Unido neste proceso? Calquera observador imparcial que olle para Boris Johnson e os Tories chegaría á conclusión de que o seguinte acordo honesto sería o primeiro. O Reino Unido é un Estado no que non se pode confiar e que non mantén a súa palabra. Porén, debe existir un Consello composto por autoridades irlandesas e do Reino Unido e unha Conferencia que dea unha oportunidade ao acordo. O Reino Unido e o noso veciño máis próximo e temos que manter relacións. —Que postura manteñen sobre o Protocolo de Irlanda do Norte? O Protocolo foi un compromiso feo mais era necesario. Hai unha parte do Acordo do Venres Santo que trataba da desmilitarización, a eliminación das infraestruturas fronteirizas. A salvargada do proceso de paz é a razón pola cal non podemos ter unha 'fronteira dura' entre o norte e o sur de Irlanda. Eu fun a única parlamentaria do norte de Irlanda na UE que votou a favor do Protocolo, pois os unionistas querían o Brexit máis duro posíbel. O seu estabelecemento serviu para evitar unha fronteira física que dividira Irlanda e foi apoiado no noso Parlamento. A reunificación ten que ser inclusiva Para Martina Anderson a reunificación de Irlanda ten que facerse cun "compromiso" entre as partes. Hai xente no norte de Irlanda "que son unionistas, que se senten británicos", e nunha Irlanda reunificada "a súa cultura debe ser protexida e necesítase desenvolver lexislación para que o que nos aconteceu a nós nunca se lles faga a eles", afirma Anderson. Sobre a situación actual en Irlanda do Norte, a representante do Sinn Féin sinala que existe unha intensa crise sobre o custo da vida e que co novo Goberno queren "incrementar a súa capacidade de gasto e distribución do diñeiro de modo que poidamos paliar a crise sanitaria" no territorio e "construír 100.000 novas vivendas protexidas" para o acceso das capas máis empobrecidas da sociedade. "A xente precisa cartos no seu peto, moita xente non ten para comer nin para quentar a casa, e iso non o podemos permitir", sentenza Martina Anderson.
NOS_35431
Denúnciao a organización Down Galiza e alerta de que a lei española "botará por terra todos os avances que se fixeron nos últimos anos" non só en materia educativa senón tamén de integración social.
"Posicionámonos en contra da LOMCE polo que supón para o alumnado en xeral, mais en concreto para aqueles que nós representamos, pois vai supor que se boten por terra todos os avances conqueridos até o de agora". Quen fala é Delmiro Prieto, presidente de Down Galiza. A organización mostrou o seu apoio á greve do 24 de outubro en contra da lei española porque "catalogará como inservíbeis" as crianzas con diversidade funcional "ao chegar aos 12 ou 13 anos", condenándoos "á exclusión". Explica Prieto que non hai moitos anos a taxa de analfabetismo entre as persoas afectadas pola discapacidade intelectual estaba no 80% e a día de hoxe está no 20%, sendo do 0% no sistema educativo ordinario. Porén, o que carrexará a lei impulsada polo ministro de Educación, José Ignacio Wert, será unha volta "a tempos que tiñamos xa superados" e a conceptos como 'educación especial', que etiquetan e segregan o alumnado con diversidade funcional. "Se falamos do caso concreto da Galiza estaban a se dar pasos moi importantes na atención á diversidade", sostén Delmiro Prieto, quen considera que a consellaría de Educación vai aplicar a LOMCE "por obriga, mais esa non é a súa intención, ou polo menos non é o que demostra o traballo dos últimos anos" en prol deste colectivo. A consellaría de Educación defende a LOMCE Con todo, cómpre lembrar que o titular deste departamento, Jesús Vázquez, defendeu esta norma, malia reducir nun 10% as competencias dos territorios para achegaren contidos ao currículo educativo. Argumentou o conselleiro que "a idea clara" con que o PP se presentou ás eleccións estatais "e obtivo maioría" lle outorga a Wert "lexitimidade" para impulsar unha (contra)reforma educativa. Así as cousas, as reválidas que se farán ao final de cada etapa educativa, o incremento do número de alumn@s por aula, a redución do profesorado e o agrupamento de unidades que se promoveu nas escolas do rural poñen en xaque a atención ás necesidades educativas específicas ao colocar "barreiras infranqueábeis" que deixan a diversidade "fóra" do sistema educativo.
NOS_12169
María do Cebreiro gañou o premio Ramón Piñeiro con Maternidades virtuosas (Galaxia), unha achega ao debate sobre as novas maternidades realizada desde a crítica aos modelos alternativos de crianza na súa conexión práctica cos discursos neoliberais. O ensaio convida a evitar as polaridades e artellar un ollar non xulgador sobre o tema. Falamos coa autora deste libro e, en xeral, do seu traballo como ensaísta, centrado en boa medida na figura de Rosalía de Castro.
Como foi o proceso de escrita do libro? Unha vez, estando embarazada, atopeime con Celso Fernández Sanmartín e preguntoume se estaba facendo algo. E eu dixen: estou escribindo por dentro. E rimos. Pero era así. Unha total falta de necesidade de escribir e un total compromiso cos ritmos do meu corpo. Despois, cando a miña filla comezou a poder sentar por si mesma eu tamén empecei a sentar. Foi unha escrita moi determinada pola crianza. Escribía en anacos pequenos pero había moito dentro que abrollou. Tiña o tempo que tiña e sabía que era ou nese momento ou nunca. Así que foi como un estoupido. Que é o xiro discursivo sobre a maternidade? Está baseado, claro, na hipótese do xiro lingüístico. Eu estaba embarazada e fixábame moito nos discursos sobre a maternidade. Hai no noso tempo un interese en poñer palabras á experiencia maternal que non ten correlación coa presenza real de nenos e nenas na nosa sociedade. Falamos moito de coidados e non coidamos moito. A polémica que houbo por exemplo pola reportaxe de Ana Abelenda sobre libros sobre maternidade é unha confirmación do que eu pensaba. A maternidade é un tema que proe. Acontece que hai pobreza de experiencia e moito discurso. Nun contexto ademais de perda de transmisión xeracional: antes aprendías vendo criar a túa nai e a túa avoa. Por que, tal como di no ensaio, non se debe separar as mulleres en nais e non nais? Para min era fundamental escribir un libro xeneroso e celebratorio da maternidade que ao mesmo tempo fose crítico e rigoroso. E falo dos discursos matrofóbicos, que se cadra non é o termo máis axeitado pese a ser un termo técnico. A cuestión para min é que se pode cuestionar a experiencia da maternidade e criticar as perversións da crianza contemporánea, pero iso non quere dicir, como di Orna Donath, que te arrepintas de ser nai. É inxusto que non se vexa que a maternidade é tamén pracer e alegría. E ademais paréceme perigoso enfrontar a nais e non nais. Hai algo de falsa conciencia aí, nun sentido marxiano. Porque a liña divisoria que é pertinente para a loita social non é esa. O eixe é quen coida e quen non, non quen é nai e quen non o é. Unha idea fundamental no libro é que a retórica cientificista serve para reforzar o modo de vida neoliberal na esfera dos coidados. Os modelos de maternidades alternativas caen moitas veces na trampa de conceder moita importancia ao discurso científico como validación da experiencia. Todos os modelos buscan lexitimación no discurso científico. E ademais a profesión médica perdeu autoridade, polo que se crea un baleiro que se ve reemprazado por dispositivos como os foros de crianza, nos que se produce moita pseudorretórica científica. Mesmo en posicións moi enfrontadas, como o soño infantil, todos os discursos ampáranse na ciencia, que acaba servindo para defender unha tese e a contraria. A ciencia acaba sendo refén dunha ideoloxía que é a neoliberal. Convértese en propaganda. No ensaio, ao final, ten bastante máis peso a crítica que o ton confesional. É probábel. Tal vez porque ía presentalo a un premio de ensaio. Seguramente tamén porque haberá prexuízos sobre que un libro sobre maternidade non pode ser un libro serio. En xeral, a literatura sobre embarazo e crianza resúltame demasiado confesional. E eu quería facer algo de interese para calquera. Porque moitos destes libros están dirixidos a nais ou non nais. Si tiña medo de que os dous tons non ensamblasen de todo ben. E de ser inxusta. Quería ser crítica pero deixando espazo para a esperanza. Buscando a complicidade e tamén a ironía e o humor. O libro oponse ás polaridades e unha delas é a crianza adultocéntrica/matrocéntrica. A dona no noso tempo é a crianza natural. Pero tamén é unha retórica, porque estás no hospital coa túa nena e ou non che explican como tes que facer ou dinche cousas contraditorias. A miña nena vai medrando e forxando a súa personalidade. Pero tampouco teño claro que todo teña que ser a demanda dela e ao minuto. Igual o que está pasando tamén é que lle damos moita importancia ao que facemos. Os fillos son da vida, do mundo, non nosos. E no fondo o que estamos a facer é poñernos a nós no centro, subliñando o importantes que somos para os nenos e nenas. Penso que o problema non é a crianza natural, senón o uso que se lle pode dar. Pode funcionar na miña familia pero tampouco vou considerar un disidente a quen opte por outro modelo. Unha mirada cómplice, aliada, non xulgadora, é a verdadeira mirada política sobre o tema. Parte desa mirada xulgadora é presionar as nais para que se convertan en expertas en todo. A figura da nai sempre estivo ligada á abnegación e á culpa católica. Pero penso que a novidade do ensaio é ir máis alá diso. O saber experto marca o novo modelo. Unha nai ten que estar informada de todos os avances en todo. Ten que ser unha profesional do campo da maternidade. Iso, en realidade, é unha importación do discurso neoliberal aplicado na empresa: tes que estar sempre formándote, permanentemente conectada… E iso deixa exsangües as persoas. Terías que poñer todos os teus recursos: emocionais, materiais, etc, ao servizo da maternidade. É igual que a retórica da calidade do ensino, que leva ao control e ao autocontrol. Xa non é, como dicía Foucault, o castigo e a represión, senón que internalizas o control social. O discurso neoliberal tamén impregna os discursos sobre a educación emocional. De que maneira? Eu levo tempo investigando, a nivel académico, sobre o xiro afectivo. A importancia da educación emocional é un consenso do noso tempo. Mais, que é a educación afectiva? As emocións poden xestionarse? Xestionámolas nós? Porque igual os nenos nos ensinan a nós niso máis que nós a eles. Ademais, que se quere dicir con ensinar? Porque no fondo é adestrar. O marco implícito é a teoría da intelixencia emocional de Goleman, que é unha idea neoliberal. E queremos adestrar as emocións dos nenos? Se creamos un territorio tan pacato e pactado, con todo baixo un contrato emocional, que sería de nós como persoas? Ademais de que os obradoiros de educación emocional tampouco funcionan tanto. Hai niso como unha especie de confianza ilustrada na razón: todo se arranxa educando. E quizais, coa infancia, mellor que educala para xestionar é escoitala. O libro remata coa exposición dunha serie de desexos. Entre eles, escoitar a voz dos nenos e nenas, precisamente. E confiar máis nas nais. Porque creo que se fala moito dos nenos sen os nenos. Despotismo ilustrado. Mais, cal é a voz dos nenos? Ou a voz das árbores? Quizais non podemos traducila, pero polo menos temos que preguntarnos por ela. A pregunta pola voz dos nenos pode deixarnos sen resposta pero é máis lexítimo que pretender ser portavoces deles. É como a obsesión nos foros polas mentiras dos fillos. Nós non mentimos? O neno non ten que ser un adulto idealizado. Non ten que ser unha visión sublimada de nós mesmos. O máis valioso é que saquen o que eles son, non o que nós queiramos que sexan. Xa que fala de árbores, nos limiares que escribiu das últimas edicións de Follas Novas (Alvarellos) e Cantares Gallegos (Xerais) salienta o ecoloxismo de Rosalía de Castro. Conecta co que acabo de dicir, si. Na súa obra, poesía e prosa, Rosalía de Castro fala de como a corta de árbores deixa os paxaros sen a súa casa. Ela nomea esa dor, esa perda. O ecoloxismo hoxe, no seu discurso dominante, é bastante antropocéntrico: non podemos destruír o planeta porque é a nosa casa. O que Rosalía di é que nós e a natureza non somos algo distinto. Nós somos natureza, non algo separado da natureza. E a natureza estivo antes ca nós e vai estar despois. Rosalía defende unha igual dignidade para persoas, animais e plantas, para seres animados e inanimados. O proxecto literario de Rosalía non se esgota no galeguismo. É outra das ideas presentes nestes limiares. Ecoloxismo e feminismo, por exemplo, son achegas políticas de Rosalía de Castro non coincidentes coas de Murguía, por exemplo. O galeguismo de Rosalía está aí. É evidente que Rosalía e Murguía queren que a Galiza teña unha posición política de dignidade. Pero para entender ese proxecto galeguista, e creo que esa é a miña achega, hai que situar a Rosalía na sociedade mundializada. O orientalismo de El caballero de las botas azules, por exemplo, ten como fondo a guerra de Crimea, o coñecemento de Rosalía sobre os acontecementos bélicos da Europa do século XIX. O que intento é descentrar o marco do cadro, que sempre se localiza na Galiza. Nós fixemos un estudo sobre as xeografías literarias de Rosalía e, se se analiza toda a súa obra, a presenza da Galiza está moi balanceada coa de América, Europa ou África. Rosalía era unha lectora global. E devolverlle ese estatuto permite ver o seu proxecto galeguista á luz da república internacional das letras da que Galiza forma parte en pé de igualdade. E non estou defendendo un argumento en detrimento do galeguismo de Rosalía, senón en favor dunha concepción internacional do mesmo. Falabamos antes de polaridades falsas. Unha delas, explica vostede, é a oposición Follas Novas / Cantares Gallegos. Moitos textos da época distinguen entre unha Rosalía profunda e internacional, a de Follas Novas, e unha Rosalía máis da casa, a galeguista, popular a rural, a de Cantares. Eu non creo nin que sexa unha poesía rural, senón materialista e sobre a natureza. A aldea non é un espazo idealizado. É o lugar onde se intensifican as artes da vida, onde é máis doada a circulación da vida entre persoas, animais e plantas, desde a idea da igualdade entre todo o que sinte. É un xeito de panteísmo materialista co que ela se anticipa á actual ontoloxía relacional. Todo o que está na terra ten o mesmo peso na medida en que sustenta a vida. En Cantares ve vostede un exercicio de memoria da tradición política e cultural galega. Por que? María López Sández, por exemplo, defende a hipótese de que Rosalía retoricamente constrúe a idea da paisaxe galega: a Galiza fermosa e verde. O que eu me pregunto é até que punto esa retórica da paisaxe obedece á memoria cultural que ela activa. Porque hai unha tradición anterior que ela reescribe. Proba disto -e isto xa o dixera Bouza Brey- é que ela homenaxea a Pastor Díaz parafraseando unha pasaxe do discurso que el pronunciara no Liceo de Artesáns da Coruña en 1846. Unhas liñas nas que el fai unha apoloxía da paisaxe galega. Quero dicir, que Cantares non se escribe desde a nada. Ela dá o salto ao baleiro que supón escribir en galego pero tamén hai unha memoria que ela activa. É herdeira e non só legataria. Las literatas, por exemplo, reescribe La literata de Neira de Mosquera. Non debemos ler a Rosalía como se estivese illada porque desdebuxamos o seu programa político. Ela está na historia, non fóra dela. En Canon y subversión, o ensaio que coordinou con Helena González, xa dicían que sobraba didactismo nas interpretacións da narrativa de Rosalía de Castro. E que feministas, nacionalistas, marxistas… tentaban levala ao seu rego, ás veces desdebuxando a súa obra. Se ti analizas a Rosalía no seu tempo, como di Catherine Davies, no seu libro, tes que facelo á luz do contexto cultural e histórico. O seu marxismo e o seu feminismo serán do seu tempo. E o que me interesa aquí son os usos conmemorativos dos seus escritos. Rosalía foi abusada institucionalmente. E non foi a única. E a mellor maneira de encarar eses abusos é ir ás fontes. Por iso é pertinente, por exemplo, preguntarse que lía Rosalía. Sabemos que leu a Proudhon, por exemplo. O resto é especulación e apropiación institucional. De todas maneiras, sobre Rosalía e sobre Cantares díxose tanto que tamén é difícil dicir algo novo. Dicir que se abusou de Rosalía xa é un tópico. Dicir que non era choromiqueira tamén xa se converteu tamén en tópico. Iso ten que ver co que comenta sobre a santificación cultural de Rosalía. Os usos institucionais de figuras da literatura aconteceron e son estudados en toda Europa. Xa no estranxeiro saben que o de Rosalía é un dos casos de santificación cultural en Europa. Que na súa casa poidamos ver o seu rizo ou a súa mortalla ten que ver con isto. Son reliquias. Os escritores do XIX ocuparon, a respecto diso, o lugar dos santos. As institucións culturais desvíanse mesmo da idea de posteridade literaria que tiñan os propios autores. Rosalía quería ser enterrada en Adina, en Padrón, e foino, pero o seu corpo foi levado despois ao Panteón dos Galegos Ilustres. Falaba antes do materialismo de Rosalía. Que quería dicir? A súa é unha espiritualidade material. No proxecto de investigación anterior que tivemos na Universidade analizamos a relación entre memoria, afecto e espazo en Rosalía. Nin memoria, nin afecto nin espazo son nocións abstractas na súa obra, senón que se sitúan na trama da realidade, no mundo. No noso tempo prodúcese unha revisión da concepción determinista do materialismo. Desde a ontoloxía relacional, que citaba antes. A espiritualidade de Rosalía non está disociada do materialismo. A materia está viva. En As terceiras mulleres xa falaba da invención das mulleres como suxeitos. Cando estudei a carreira tiven a sorte de ter un grupo de compañeiros que tirabamos moito uns dos outros. Eu estudei, ademais, cando en Filoloxía había un plan experimental no que as clases eran debates sobre textos, con moitos traballos e poucos exames. O clima intelectual que se creou así era moi rico. Acabei a carreira con textos que logo puiden reescribir e que deron orixe a As terceiras mulleres. Comenta tamén vostede que, na relación entre literatura e moralidade, Rosalía era máis avanzada ca Murguía e non se afastaba tanto de Pardo Bazán. Na famosa carta da "dimisión" de Rosalía de seguir escribindo en galego, que Helena González, Chus Lama e eu reeditamos, faltaban unhas liñas que son moi substanciosas. Ela di que a xente que a critica polo seu artigo Costumbres Gallegas non sabe que hai unha estatística que lle dá a razón. Nós non sabemos se na transcrición da carta realizada por Juan Naya houbo un erro ou unha omisión intencional. Pero a cuestión é que Rosalía reivindica a súa autonomía como escritora alén dos xuízos morais da época, igual que faría un escritor naturalista ou realista. Ela mesma di que ela non está nin a favor nin en contra do costume que describe. Pero está a reivindicar o seu dereito como escritora a escribir do que lle pete. E iso foi algo que se lle negou na súa época e despois tamén.
NOS_32372
Ana Pontón reuniuse con Manuel Iglesias, un mozo cuxa nai morreu recentemente no Hospital Álvaro Cunqueiro sen poder ser despedida polos seus achegados. "Esta é a historia da miña nai, mais é a historia de tantas nais e tantas familias que están a sufrir", dixo. ENQUISA | Cres que debería mudar o protocolo Covid nos hospitais?
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou esta sexta feira "revisar" os protocolos de acompañamento aos pacientes nos hospitais, escoitando "con cautela" as necesidades das familias e persoas ingresadas, logo da experiencia "tráxica", segundo el mesmo describiu, de Manuel Iglesias coa súa nai, que morreu no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo sen poder ser despedida polos seus achegados. Pontón, xunto á portavoz de Sanidade do grupo, Montse Prado, reuniuse con Iglesias no seu despacho do Parlamento para coñecer a situación vivida por esta familia, que perdeu á nai, Rosario, hai uns días. "É un tema delicado e quixemos escoitar de primeira man o testemuño de Manuel, porque nos parece que debería servir para tirar conclusións, que melloren as cousas e que haxa un trato o máis humanizado posíbel cando ingresan nun hospital os pacientes", sinalou Pontón, quen avoga por estudar "axustes" nestes protocolos. A líder nacionalista trasladou as súas "condolencias" e mostrou empatía coa "dor" pola perda da nai e, máis, nestas circunstancias nas que non houbo "acompañamento". Entendendo que "a Covid segue a ser unha pandemia", a portavoz do BNG apostou, con "toda a cautela", por "escoitar ás persoas como Manuel". "Hai que adaptar os protocolos coas persoas expertas e valorar e ter en conta se este protocolo pode seguir funcionando así cando hai unha situación de fase terminal e non teñen este acompañamento", sinalou. Aliás, considerou que esta cuestión "merece toda unha reflexión", lembrando que o nivel de vacinación actual, como tamén subliñou Manuel Iglesias, é agora moi alto —máis de 90% na Galiza— e que, polo tanto, non son as mesmas circunstancias que cando principiou a pandemia. A historia "de moitas nais" "Temos que poder acompañar as persoas", manifestou, salientando a "cautela", mais pedindo unha "reflexión" sobre esta cuestión, como reclamou, así mesmo, Manuel Iglesias: "Non podemos privar ningunha persona de ter un acompañamento. Esta é a historia da miña nai, mais é a historia de tantas nais e tantas familias que están a sufrir". O fillo de Rosario instou "todos os actores políticos" a que "aúnen esforzos" xunto coa comunidade médica para "mover esta situación", que é "moi tráxica e moi dura". "Cando menos, que sirva para algo, que esta historia, como dicía Ana [Pontón], sexa un punto de inflexión, que máis familias non teñan que pasar por isto", sentenciou. Preguntada Pontón por se avoga por unha revisión total dos protocolos para garantir dereitos dos pacientes e familiares, incluídos os que atinxen ás mulleres embarazadas e singularmente nos partos, a líder do Bloque quixo centrarse neste tema concreto após a decisión "dura e valente" de Manuel Iglesias, "sen desviar moito a atención, máis aló de que hai outras circunstancias que se poden mellorar moito na atención sanitaria".
PRAZA_1909
Entre 2002 e 2012 Galicia pasou de ter case medio millón de vacas a contar con pouco máis de 300.000. No mesmo período o número de explotacións produtoras de leitre minguou case un 50%. Mapa interactivo no interior
O sector lácteo galego esmorece. Dino as manifestacións e as tractoradas como a que este martes se desenvolve en Sarria e tamén o din os números. A combinación das cifras máis recentes, datadas no ano 2012, cunha pequena vista cara a atrás permite observar como enfraqueceu o sector tanto en número de explotacións como en número de vacas de muxidura. Atendendo ás bases de datos do IGE en apenas unha década o número de vacas leiteiras reduciuse nunha cuarta parte no país, de case medio millón a pouco máis de 300.000, e o número de explotacións produtoras de leite minguou case un 50% no mesmo período. O número total de vacas era en 2002 dunhas 700.000 e en 2012, de pouco máis de 500.000. Nunha ollada polo miúdo, ata o nivel municipal, o panorama é, se cadra, aínda máis elocuente, tanto no sector lácteo como no gandeiro en xeral. O número de vacas -leiteiras e non leiteiras- apenas aumentou nunha corentena de concellos na década analizada, mentres que en todos os demais se reduciu. Así, municipios como Abadín, con 921 vacas de muxidura máis, A Lama, con case 800 máis, ou Montederramo, que gañou 600, son excepcións nun mapa no que a redución de gando bovino é a tónica dominante. Comarcas eminentemente gandeiras lideran a redución do número de vacas Os concellos nos que máis minguou o número de vacas ubícanse en comarcas eminentemente gandeiras, o que permite intuír a dimensión da crise do sector. Segundo o Instituo Galego de Estatística o concello que máis vacas perdeu entre 2002 e 2012 foi Santa Comba, que pasou de ter máis de 18.000 a algo menos de 11.000. Esta redución de case 7.300 cabezas de gando só é superior á de Chantada, con case 5.000 vacas menos neses dez anos, ata quedar nas 8.300. Mazaricos, cun recorte de 4.700 vacas, ou Silleda, con 4.600 menos, están tamén á cabeza deste retroceso xeralizado en practicamente todo o interior do país. A perda de músculo no sector lácteo é evidente na redución do número de animais e tamén na mingua das explotacións. As bases de datos da actual Consellería do Medio Rural e do Mar tiñan cuantificadas no ano 2002 máis de 27.000 explotacións nas que se producía leite. Apenas catro anos despois o número xa baixara de 20.000 e no 2012, xusto antes de afrontar os últimos anos antes do remate do sistema de cotas, esta cifra apenas superaba as 14.000.
NOS_259
Nas primeiras probas do 8 de setembro as e os docentes deron negativo, mais un día despois dous profesores comezaron a ter síntomas compatíbeis coa enfermidade. Por iso se practicaron exames a todo o persoal do centro educativo. As clases recuperaránse en formato telemático.
O centro educativo plurilingüe Calasancio de Pontevedra vén de fechar as súas instalacións após detectarse un gromo da Covid-19 entre o seu cadro de persoal cando o curso xa comezara neste nivel do ensino. De momento sábese que hai unhas 8 persoas contaxiadas. A información foi distribuída pola propia dirección do colexio, que enviou unha comunicación ás familias. Ademais, avanzouse que a actividade docente retomarase o martes, pero xa cun carácter telemático. As probas serolóxicas realizadas a todo o profesorado deran negativo, o pasado 8 de setembro, pero dous docentes empezaron a desenvolver síntomas compatíbeis co virus xusto un día despois. Ambos sometéronse a probas PCR que confirmaron o positivo dun deles. A partir de aí, trasladáronselle os datos as familias do alumnado dos cursos implicados o venres pola noite. Ante a situación realizáronse probas PCR a todo o persoal do centro, tanto docentes como de limpeza, administración, secretaría e comedor, e oito deles resultaron positivos. O centro informou e entregou toda a información ás autoridades sanitarias para realizar o rastrexo dos casos e mantense en contacto coa inspección e o xefe territorial da Consellaría de Educación, ademais de co Servizo Epidemiolóxico da Galiza. De momento, o colexio fechou as súas portas e suspendeu a actividade lectiva, aínda que xa activou o protocolo para volver ás clases o martes.
PRAZA_11078
Os propietarios de Povisa ratifican a Sanidade que prevén vender o hospital ao grupo Ribera Salud, controlado ao 90% pola corporación estadounidense Centene. O pasado verán o Consello de Contas detectou "falta de transparencia" no contrato da Xunta con Povisa e advertiu que ata o 80% do volume de negocio do centro sanitario vigués depende do concerto co Servizo Galego de Saúde
O hospital de referencia para máis de 130.000 persoas protexidas pola sanidade pública en Vigo está a piques de pasar a ser propiedade do grupo Ribera Salud e, por extensión, da corporación multinacional Centene, con sede nos Estados Unidos de América. Os responsables do policlínico privado vigués, que en virtude do concerto vixente co Servizo Galego de Saúde fai parte da estrutura asistencia da sanidade pública galega, veñen de confirmar á Consellería de Sanidade que ten "moi avanzadas" as negociacións para unha operación pendente, en todo caso, das autoridades da Competencia.Os propietarios de Povisa ratifican a Sanidade que prevén vender o hospital ao grupo Ribera Salud, controlado ao 90% pola corporación estadounidense CenteneComo avanzou Faro de Vigo, os responsables do centro sanitario do que aínda é propietario o Grupo Nosa Terra 21 admitían nos últimos días a existencia das conversas con Ribera Salud, compañía que o pasado verán ficou definitivamente controlada pola americana Centene Corporation, que mercou o 40% accións da compañía ao Banco Sabadell, entidade que á súa vez as herdara da desaparecida Caja de Ahorros del Mediterráneo. Deste xeito Ribera Salud pasou a estar ao 90% nas mans de Centene, que se frutifica esta operación chegaría a Galicia por primeira vez.Con estas novas sobre a mesa Sanidade "convocou os representantes de Povisa a unha reunión" para "solicitarlles información sobre a posible venda do centro médico vigués", informa a Consellería. Nese encontro, indica a Xunta, sentaron co conselleiro Jesús Vázquez Almuíña e outros cargos do Sergas membros de Povisa e mais de Ribera Salud, que "confirmaron que as negociacións entre ambos se atopan xa moi avanzadas".Segundo a Xunta, Almuíña e o seu equipo "trasladaron" aos executivos de Povisa e Ribera Salud que "no caso de que as negociacións frutifiquen", deberán "garantir tanto a calidade asistencial na área sanitaria" como os postos de traballo". Todo isto, agregan, respectando os termos do concerto do Sergas con Povisa, que segundo o asinado en 2014 se estende ata o 31 de agosto de 2022.O Consello de Contas detectou "falta de transparencia" no contrato da Xunta con Povisa e advertiu que ata o 80% do volume de negocio do centro sanitario vigués depende do concerto co Servizo Galego de SaúdeEste acordo, precisamente, estivo nos últimos tempos no centro da controversia non só polo rexeitamento das forzas da oposición, sindicatos e organizacións na defensa da sanidade pública, senón tamén polos receos expresados polo Consello de Contas. Así, o pasado verán o organismo responsable da fiscalización das contas públicas da Xunta advertía nun amplo informe da "falta de transparencia" deste contrato, que implica o pagamento de máis de 70 millóns de euros anuais á compañía viguesa.Así, por exemplo, entre os aspectos sobre os que chamaba a atención o Consello de Contas no seu informe destaca que, a xuízo dos auditores, "non se pode garantir" que o prezo de 540 euros por doente e ano, estipulado no acordo, "fose establecido de acordo cun sistema axeitado para valorar os termos económicos das prestacións". Do mesmo tempo, advertía que o contrato da Xunta con Povisa implica que, a efectos prácticos, o diñeiro dedicado por Sanidade ao policlínico vigués "unicamente poida sufrir variacións á alza" e non baixar nunca, todo isto nun contexto no que ata o 80% da cifra de negocio de Povisa depende da sanidade pública galega.
PRAZA_12728
Rajoy tenlle que remitir á UE antes de fin de mes todas as tesoiradas que aplicará en 2012 e a oposición galega reclama tratar no Parlamento que impacto terán nos Orzamentos da Xunta
E en Galicia, que? É á pregunta á que os grupos da oposición parlamentaria galega lle queren dar resposta ante o temporal de recortes que chove dende Madrid. PSdeG e BNG queren saber como van afectar aos Orzamentos galegos tanto a tesoirada de 10.000 millóns en educación e sanidade como as que están por vir, as mesmas que o Goberno central lle ten que comunicar á Unión Europea antes de fin de mes. A socialistas e nacionalistas non lles abonda que "o que non fai non Parlamento o faga ás veces nos medios de comunicación", di Abel Losada dende o PSdeG. Cómpre aclarar ata que punto as contas que rexerán a Administración galega en 2012 son "política ficción", engade a voceira do Bloque, Ana Pontón. Ambos falan dende o convencemento de que, dando por boas as afirmacións gobernamentais de que a Xunta "está moito mellor" que outras autonomías, Galicia non precisa novos recortes para cumprir coas moi esixentes normas comunitarias e estatais de control do déficit público, do 5,3% no caso español. O socialista Abel Losada non lle abondan as explicacións a través da prensa aínda que algunhas, como a entrevista concedida o pasado domingo polo presidente da Xunta a El País constitúan "toda unha declaración de intencións da súa orientación ideolóxica". Galicia leva tres anos "sendo o ensaio clínico" do PP tras o cal vén a "terapia de choque inducida polo Goberno central", polo que na súa opinión é imprescindible coñecer en sede parlamentaria se Alberto Núñez Feijóo continuará co seu "colaboracionismo", indo máis alá dos 71 millóns de euros que, segundo os datos do Ministerio de Facenda, a Xunta ten que deixar de gastar para non pasarse dos límites de déficit. "O impacto dos recortes" no caso galego "é moito maior do que xustifican os datos macroeconómicos", explica, xa que, por exemplo, mentres o PIB caeu un 0,3% en 2011 o investimento sanitario fíxoo un 4,49% e o educativo, un 6,9%. Ese "colaboracionismo" e "obedecer cegamente esa clara deriva ideolóxica" non é, en todo caso, "máis ca un medio", di o socialista. "O fin son as contas de resultados de determinadas empresas". PSdeG e BNG terán que conformarse coas preguntas da sesión de control do mércores para obter explicacións Pero Feijóo xa rexeitou a petición de comparecencia tramitada polo PSdeG -único dos grupos da oposición con deputados dabondo para solicitala-, polo que os socialistas se terán que conformar cos escasos minutos da pregunta parlamentaria de Pachi Vázquez ao presidente, o próximo mércores. Sobre os recortes cuestionará tamén Ana Pontón a Feijóo, quen parte da base de que os actuais Orzamentos da Xunta son "unha quimera", porque "as previsións do cadro macroeconómico son absolutamente irreais". A Xunta, di a voceira do BNG, "non ten por que aplicar novos recortes", non só porque teña un saneamento financeiro mellor que outras autonomías, senón tamén porque é "mentira que os servizos públicos non teñan viabilidade". Proba de que a Xunta aínda ten marxe de manobra é, por exemplo, que está a incorrer en "escandalosos" datos de execución orzamentaria. Por exemplo, en 2011, Economía e Industria non executou "o 60%" dos seus fondos en 2011, "máis de 167 millóns". Rajoy, a render contas na UE antes de fin de mes Pontón amosaba así o rexeitamento do BNG a uns recortes que son ademais, ao seu xuízo, "unha estafa" tamén "para os cidadáns que apoiaron o PP" nas eleccións, xa que Mariano Rajoy "prometeu o o contrario" do que está a facer. "Sería moito máis valente" tocar o gasto militar ou suprimir as deputacións, afirma a nacionalista, quen tamén lembra a reclamación "dunha reforma fiscal xusta" ou dunha "loita real contra a fraude fiscal". Con todo, semella que nada disto estará presente nos plans que Rajoy terá que enviarlle á Comisión Europea antes de que remate abril. Trátase de dous documentos de enorme relevancia para coñecer por onde traballará a tesoira de aquí a 2013: o Programa de Estabilidade, isto é, como logrará cumprir cos obxectivos de déficit dende o punto de vista da fiscalidade, e o Programa Nacional de Reformas, no que deben concretarse as modificacións estruturais para rebaixar gasto público e, como non, acougar os mercados financeiros. Rajoy ten que remitirlle á UE en poucos días o Plan de Estabilidade e o Plan de Reformas, con todos os recortes de 2012 Mostra da importancia desta documentación é o último exemplar do plan de reformas que redactou o goberno de Zapatero e no que, por exemplo, se lles vendían ás autoridades europeas as bondades da reforma laboral de 2010. Desta volta, Rajoy promocionará o seu recorte sanitario e educativo, a súa propia reforma laboral, o reordenamento do sistema financeiro, a suba do IRPF ou a extrema disciplina imposta ás autonomías. A Comisión valorará en maio a información recibida, emitirá recomendacións e estas terán que ser votadas polo Consello Europeo -órgano que xunta os gobernos dos Estados membros-. Aí irán tamén as reformas que o líder dos conservadores asegurou ter pensado aplicar de aquí a xuño e resta saber se, por exemplo, incluirá unha suba do IVE, a mesma que o PP negou ata a saciedade que aplicaría. Pero, que acontecerá en Galicia? A Xunta opta polo mutismo e o partido que a sustenta non vai moito máis alá. "Galicia, afortunadamente, está moi preto de conseguir os obxectivos de déficit", di o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, quen xustifica que o Executivo de Feijóo non terá que aplicar os novos recortes "coa amplitude doutras comunidades autónomas". "Comprendo que a oposición queira vender recortes", pero cómpre "unha análise seria", recomenda. O gabinete de Rajoy está a aplicar medidas "profundamente autonomistas", mantén, e por iso a Xunta poderá "adaptalas en función das súas necesidades de reducir gasto", que non son moitas, di. Mostra disto, conclúe, é que "todas as comunidades de réxime común -todas menos Euskadi e Navarra- están no plan de saneamento para pagar a provedores", todas "agás Galicia".
NOS_50946
A taxa de positividade cae a un 1,6%
Os pacientes con Covid-19 hospitalizados na Galiza aumentaron lixeiramente en catro até os 536, deles 105 atópanse en Unidade de Coidados Intensivos -tres menos que a xornada anterior-, mentres que os novos contaxios diarios caen á metade que este domingo, con 103 detectados. Así se reflicte nos datos difundidos na mañá pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18:00 horas deste domingo, nos que se inclúen 105 hospitalizados con coronavirus en UCI e 431 noutras unidades -sete máis-. Deste modo, tras varias semanas seguidas de tendencia descendente no total de hospitalizados con Covid-19, aumenta lixeiramente. Das sete áreas sanitarias galegas, só na de Santiago e Barbanza baixa o total de hospitalizados, con 18 persoas en UCI -unha máis- e 50 noutras unidades -cinco menos-. Pola súa banda, na da Coruña e Cee aínda que caen en catro os pacientes Covid en UCI até os 34, soben a 142 os que permanecen ingresados noutras unidades -catro máis-; así como na de Lugo, onde hai 14 en críticos -un máis- e 29 noutras unidades -un menos-. A área de Ferrol mantense sen cambios con respecto á xornada anterior, don oito en UCI e 63 noutras unidades; mentres que na de Pontevedra baixan en dúas os ingresados en críticos até os 12, pero soben en tres os doutras unidades ata os 48. Mentres, na área de Ourense hai tres pacientes con coronavirus en UCI -sen cambios- e 36 noutras unidades -dúas máis-, mentres que na de Vigo aumentan a 16 o críticos -un máis- e a 63 os doutras unidades -catro máis-. Con todo, prosegue a tendencia descendente en novos contaxios e casos activos. En canto aos últimos redúcense a 5.207, o que supón 278 menos que os rexistrados ata a xornada anterior. Os novos contaxios diarios detectados con calquera tipo de proba reducíronse a 103, tras os 208 rexistrados a xornada anterior na Galiza, deles 101 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas. En canto á taxa de positividade --porcentaxe de infeccións por test PCR realizados-- volveu a baixar ata un 1,6%, tras descender ao 3,6% este domingo, polo que se mantén por baixo dese 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa como máximo para dar por controlada a pandemia. Desde o inicio da pandemia faleceron 2.238 persoas diagnosticadas con Covid-19, tras comunicar Sanidade este domingo a morte doutras 11 persoas. Todas estas novas vítimas tiñan patoloxías previas e ningunha estaba vinculada a residencias.
NOS_5513
A sexta longametraxe de Alfonso Zarauza estréase mañá en 25 salas.
Malencolía, a nova longametraxe do director compostelán Alfonso Zarauza, estréase a vindeira sexta feira en até 25 salas de toda a Galiza. Protagonizado por Melania Cruz e Xúlio Abonjo, o filme mestura terror e comedia para relatar a historia dunha parella que volta ao país após ter vivido durante varios anos en Berlín. En declaracións a Nós Diario, Zarauza profundou nos detalles do filme así como na situación actual do cinema en galego. "Malencolía é un filme moito máis divertido do que a miña última longametraxe, Ons. Parte dunha idea que tiña de facer un filme en que o terror e a comedia tivesen un papel importante", manifesta. A respecto da acollida que Zarauza espera por parte do público, salienta que "esta é unha película moi amábel para o espectador, porque ten humor, unhas personaxes moi caracterizadas e até surrealistas que penso que serán do agrado do público". 'Ons', gran triunfadora dos Mestre Mateo con nove galardóns A importancia do cinema en galego Acerca da importancia de que se leven a cabo obras cinematográfica en lingua galega, o director asevera que é "esencial" facer cinema en galego. "Para min é natural, porque o galego é a miña lingua e a do meu país e teño moi claro que é a única lingua en que me interesa traballar", afirma. "Debido á situación en que se encontra o noso idioma, revélase especialmente importante traspasar as nosas fronteiras así como incidir dentro delas. As xeracións novas e as non tan novas deben poder gozar de cinema en galego, algo que hai 20 ou 25 anos era impensábel", salienta Zarauza. "Hai un tempo, todos os filmes que se facían no noso país estaban dirixidos por xente de fóra da Galiza e tiñan unha visión de nós ridiculizante, mofándose do noso acento e perpetrando estigmas que foron danando o noso amor propio. Por iso era importante retratarnos nós a nós propios, algo que xa acontecía na literatura mais non no cinema", engade. "Creo que segue a haber moitas cuestións que hai que mellorar, con todo, si que estamos mellor do que hai uns anos", destaca. A axuda institucional No tocante ás axudas públicas á cultura, Zarauza opina que "debe haber un apoio maior. É algo polo que temos que continuar a pelexar, deberíamos poder contar co apoio do noso goberno para darlle continuidade á cultura en galego, mais, polo visto, parece que non teñen demasiado interese"."A cultura fai país, fai riqueza espiritual e mesmo riqueza material, xa que se eu tivese un orzamento maior para os meus filmes, podería pagar mellor a xente con que traballo nas rodaxes e podería xerar máis emprego", manifesta. O futuro En canto ao que pode deparar o futuro e os plans que o director ten para os seguintes proxectos, indica que vai "seguir loitando por facer cinema en galego, desde a Galiza, e con equipas de rodaxe integramente galegas que é o veño facendo os últimos anos". "A intención é seguir creando filmes cunha visión internacional para que sexan vistos en todo o mundo e contribuír a termos unha filmografía máis completa, diversa e extensa que poida crear interese por parte do público. É polo que levo pelexando desde que comecei a facer cinema e polo que seguirei pelexando sempre", conclúe Zarauza.
NOS_9844
Xabier Alonso Salgueiro, con 16 anos, comezou a traballar no estaleiro vigués de Barreras. Alí fragua a súa conciencia política. En 1971 préndeno portando unha bandeira galega. Torturado, encarcerado e despedido, falecerá anos despois nun accidente laboral.
Cando Sito, o roxo de Regodauga, veu ao mundo, no verán de 1951. O Val Miñor era un territorio de subsistencia aldeá na que se conxugaban os traballos agrarios coa procura doutros temporais ou, con sorte, no naval e, máis tarde, na Citroën. Cando naceu, a miseria posbélica alongábase e, aínda que se abrira a espita cara a América, a de Europa seguía fechada. Cinco anos antes, Churchill acuñara o de "iron curtain"; pouco despois Eva Perón lexitimara o franquismo. Cando tiña dous anos creouse a OTAN e, mentres botaba as primeiras carreiras, o Pacto de Varsovia. O mundo dividido en bloques. En 1959 o franquismo era redimido: Eisenhover visitaba Franco. Europa converteuse no novo destino para remesar divisas. Alá foi o pai, como tantos. El para Rotterdam. Os floríns de cada nómina representaban unha pequena fortuna. A empresa na que traballou concedía bolsas escolares e a Sito e ao seu irmán mandáronos internos ao ourensán Colexio Menor. A aventura rematou con cadanseu bacará. A represión do réxime cebouse con Xabier, condenado a dous anos e catro meses de cárcere en 1971 Con menos de 17 anos, Xabier, representado polo seu pai, asina o seu primeiro contrato de aprendiz. No estaleiro nacerá un mozo novo que quere saber, descubrir, coñecer, contrastar opinións. Eses degoiros empurrarano a continuar o bacharelato na quenda nocturna. O contraste entre o mundo rural e o mundo industrial pode quedar reflectido na substitución do apelativo. Deixou de ser "o roxo de Regodauga" para pasar a ser "o rubio de Barreras". Os primeiros movementos Nos anos de aprendiz achegouse aos ideais de xustiza social, de liberdades políticas, e, por riba de todo, de mellora das condicións de vida dos seus, da súa xente, do que na terminoloxía da época se denominaban "clases populares". Pouco antes de que asinase o seu primeiro contrato constituírase en Barreras a primeira comisión obreira; pouco despois Carrero Blanco exercía como líder dun proxecto "continuísta". Dous anos máis tarde, Juan Carlos era nomeado sucesor de Franco a título de rei. Mais o réxime xa non era monolítico e os movementos opositores cada vez máis fortes. A causa contra Xabier informa da solidariedade da clase obreira galega cos militantes da ETA xulgados no coñecido como "Proceso de Burgos" Cando levaba tres anos en Barreras, en 1970, o réxime tería que enfrontar o denominado "proceso de Burgos", no que se axuizaban 16 mozos da ETA. As nove penas de morte solicitadas xeneralizaron as protestas. O repudio internacional e as presións diplomáticas, incluíndo as do Vaticano, sementaron dúbidas no réxime, que se apurou a promover mobilizacións. O ditador interpretounas como unha lexitimación da súa autoridade e manobrou para conceder o indulto. O réxime, e Franco en particular, cedía ás presións. Xabier viviu con intensidade aqueles días de mobilizacións baixo a ameaza permanente da brutal represión. Sabémolo porque na sentenza escribiron que "no transcurso dos meses de xaneiro e febreiro de 1971, difundiu, guindando polo chan (…) abundantes follas (…) subscritas polas denominadas Comisións Obreiras" nas que se facía referencia aos "patriotas vascos" aos que a loita "dos pobos de España" lles salvara a vida. O mozo da bandeira Naquela altura conformáronse os primeiros xermolos do sindicalismo galego e as novas organizacións políticas nacionalistas foron tomando corpo social. Nesa configuración simbólica da comunidade nacional vai desempeñar o seu papel Xabier, Sito, o "roxo de Regodauga", o "rubio de Barreras", que engadirá un novo alcuño á súa xa longa lista de apelativos, o de "o mozo da bandeira". Alcume xurdido da reelaboración imaxinada da súa detención e da súa conversión en emblema do rexurdir nacional como xa o fora a bandeira ergueita por Antón Vilar Ponte na primeira páxina d´A Nosa Terra. A nova bandeira non era alzada pola pluma dun xornalista de mediana idade e clase acomodada, senón por unha man proletaria e xuvenil; non desde unha mesa de redacción, senón desde as rúas ocupadas pola policía da ditadura. Non coñecemos as razóns da convocatoria da manifestación; as fontes varían en función dos presupostos políticos. O máis probábel é que cadaquén acollese o motivo que máis lle aquelaba. O caso é que, segundo a sentenza do Tribunal de Orde Pública (TOP): "sobre as 21 horas do 27 de abril de 1971, un grupo superior a vinte persoas, sen a pertinente autorización, descorreron aglutinados polo Paseo de Alfonso XII (...), dando berros (...) e esparexendo panfletos". Xabier foi detido e procesado por portar unha bandeira galega nunha manifestación obreira en abril de 1971 Que Xabier erguía unha bandeira galega, confírmanolo o seu avogado Alfonso Álvarez Gándara, quen nos informa: "Lembro con peculiar precisión que o atestado policial imputáballe ser o portador dunha bandeira galega izada "nun alto puntal" (isto significábao en canto manifestante), bandeira que era "branca, dun pano asedado, e cruzada en diagonal por unha banda verde". O daltonismo policial foi un agasallo para o defensor e para Xabier. Álvarez Gándara procurou minimizar a súa relevancia na manifestación aducindo que a bandeira galega non era ilegal e que a banda que a cruza é azul, polo que un pano branco cunha banda verde carecía de significado político. Na sentenza, o TOP ten que agochar o erro policial e non fan referencia ao levantamento da bandeira, mais condénano "en grao de mero partícipe" por "un delito de propagandas ilegais e outro de manifestación non pacífica". Polo primeiro, a multa de 10.000 pesetas e dous anos e catro meses de prisión; polo segundo, a tres meses. Por suposto interpúxose recurso de casación ante o Supremo por "quebrantamento de forma", pero este sentenciou que non había lugar. A estadía no cárcere Detido o 27 de abril de 1971, pasou 11 días na comisaría. Segundo consta na sentenza estivo detido até o 18 de xuño. O réxime decretara o "estado de excepción" dentro do permanente estado de excepción do franquismo. Aquel verán do 71 tivo que ser moi duro para Xabier. Un mozo de vinte anos cos paus no lombo, a humillación da tortura, expulsado do traballo, incomprendido pola veciñanza, coa policía enriba e a ameaza do que lle farían pasar na "mili". En setembro colle camiño de Ferrol para facer a instrución; logo para Cádiz, onde estará até licenciarse en febreiro de 1973. Algunhas fontes sinalan Xabier como a persoa que lle puxo nome á Organización Obreira A nova xeira comezaba anubrada. Sen traballo fixo e coa ameaza de que en calquera momento viñesen na súa procura. O que non agardaba era o humillante espectáculo que argallaron. Dous meses despois de rematar a "mili", un despregue de gardas civís armados acurralaron a casa paterna; prendérono, baixárono a Gondomar, esposárono na porta do cuartel, no centro da vila, á argola de atar os cabalos, e deixárono alí durante horas para que todos soubesen que ninguén se podía arrepoñer ao réxime. Ao día seguinte, trasládano á prisión de Vigo, logo á Coruña; despois ao vello cárcere pontevedrés da Parda, onde cumprirá o resto da condena. Había que sobrevivir, aproveitar o tempo para a formación cultural e política e tamén para continuar na loita contra a ditadura, reclamando dereitos para os presos ou solicitando a conmutación da pena de morte para Puig Antich. Ano e medio despois de cumprir a condena era readmitido en Barreras. Comezaba unha nova xeira centrada non na loita sindical e política, o que non empecía da súa participación activa en CCOO ou no PCG, senón no movemento veciñal e na vida municipal de Gondomar. Ningunha actividade social para a mellora das condicións de vida da veciñanza ficarían á marxe da súa entrega solidaria. Eran tempos de mudanzas, de novos proxectos e métodos organizativos e políticos. Xabier sería o impulsor dunha proposta veciñal construída a partir de asembleas parroquiais con entidades veciñais, culturais, deportivas, comunidades de auga, de montes… Ao final deu co tempero para remover a política municipal de Gondomar. Mais a traxedia agardaba tras da porta. Contra o mediodía do 4 de outubro de 1989 Xabier e un compañeiro andaban a traballar, con sopretes de propano, no tanque dun atuneiro. Nun intre víronse arrodeados polas chamas. O compañeiro puido saír pero a Xabier ninguén o puido socorrer. Nunca tanta xente se xuntou ao pé do Galiñeiro para acompañar o cadaleito. Vivimos mentres alguén nos recorde. A vida de Xabier será longa. Organización Obreira Xabier, a través da Comisión de Barreras, comezou a relacionase coa mocidade do Partido Comunista. Unha parte significativa da mesma comezou a distanciarse do discurso oficial. Estas tensións tomaron, en Vigo, uns trazos especiais. Entre estes mozos callaron tanto as criticas á posición sobre a crise do movemento comunista internacional como as xurdidas no debate sobre os dereitos nacionais galegos. Nese ambiente abrollou Organización Obreira (OO). A maioría, ou quizais a totalidade, dos seus integrantes eran, ou foran, membros da Xuventude Comunista. Todas as fontes confirman a participación de Xabier. Mesmo seica lle puxo o nome tras unha discusión por un panfleto que non concordaba coas directrices de CCOO, propuxo asinalo cun simple OO. Mais a súa participación tivo que ser moi limitada, pois a maior parte do escaso tempo que durou esta organización, Xabier pasouno na "mili" ou na cadea. As fontes sinalan que OO, como acción paralela e organizada que pretendía unha posición máis combativa por parte das CCOO e do PCG, formalizaríase en xaneiro de 1972, disolvéndose en xuño de 1974. Nace pois entre mozos das CCOO de Barreras, Álvarez, Citroën ou Ascon-Ríos. Parece que estivo limitada a Vigo e caracterizouse por unha concepción vangardista da acción política e sindical. Tras a súa disolución unha parte regresaría, ou quizais nunca o abandonou, ao PCG (caso de Xabier ou de X. Cameselle), outra parte (os irmáns Araújo, Hierro Chomón...) acabaron por integrarse na OMLE que derivaría no PCE(r)-Grapo. Un terceiro grupo (Méndez, Chaves, Pousada, Moncho de Barreras...) xunto ao grupo Galicia Socialista, promoveron o SOG, predecesor da actual CIG, e algúns deles integráronse na UPG. O papel de OO nas folgas de 1972 foi salientábel como axente mobilizador e combativo. As grandes loitas daquel ano na área viguesa estiveron determinadas pola solidariedade cos obreiros ferroláns (marzo), a folga de Barreras (maio) e o conflito de Citröen en setembro.
NOS_40657
Os pobos amazigh habitan no norte de África e falan linguas bérberes. Son entre 14 e 25 millóns de persoas, principalmente localizados nos actuais Estados de Marrocos, Alxeria e Tunicia. E son protagonistas da sétima edición do Festival Internacional Amazigh pola Arte e o Patrimonio do Rif, en que Galiza terá un papel significativo.
O encontro será an Al-Hoceima (Alhucemas), capital da provincia homónima de Marrocos, o 8 e o 9 de xuño. Organizan o Concello de Alhucemas, o Instituto Español Melchor de Jovellanos e a Fundación Carlos Velo. O cineasta republicano e exiliado de Maside protagoniza o 8 de xuño unha das sesións: ás cinco da tarde proxéctase o seu filme Romancero Marroquí (1938), que presentará Enrique Acuña, da fundación do director. Na mesma xornada haberá unha conferencia sobre a situación da lingua amazigh no proxecto de lei educativa de Marrocos e outras actividades. Ao día seguinte, domingo nove de xuño, a presenza galega terá diversas vertentes. O historiador Dionisio Pereira falará do seu último libro, Escritos africanos, entre Galiza e o Rif, unha mirada desde a periferia e haberá unha "exposición bibliográfica sobre Galiza". Un concerto pechará o festival ás cinco da tarde, e nel, ademais de Izran -folclore rifeño- acturá o galego Ialma. Todas as actividades serán na Casa da Cultura de Al-Hoceima, agás a presentación do libro de Pereira e a exposición, na biblioteca Juan Román do Instituto Español Melchor de Jovellanos.