ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_55883
A familia do ditador quere retirar do interior do Pazo de Meirás as estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo e a biblioteca da escritora Emilia Pardo Bazán.
Os herdeiros do ditador Francisco Franco solicitaron formalmente á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta da Galiza retirar do interior do Pazo de Meirás as estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo e a biblioteca da escritora Emilia Pardo Bazán. Así o confirmou na mañá deste sábado o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, en declaracións aos medios nun acto decorrido en Santiago de Compostela, onde manifestou que a intención do Goberno galego é facer valer a condición de Ben de Interese Cultural (BIC) de ambos os bens (plena no caso das estatuas e en fase de tramitación no da biblioteca) para evitar que saian da Galiza. "Trátase dun asunto de gran relevancia xurídica e debe ser abordado con solvencia", dixo Román Rodríguez, conselleiro de Cultura O titular de Cultura puxo o acento en que se trata dun asunto "de gran relevancia xurídica" que debe ser abordado "con solvencia" pois supón unha cuestión que escapa de "formulacións políticas" e alcanza o ámbito da xustiza. Deste modo, após confirmar a solicitude efectuada polos herdeiros do ditador tras a sentenza que lles permite retirar os bens móbeis que hai no interior do pazo, o conselleiro manifestou que a intención da Xunta é "tentar preservar para o patrimonio cultural da Galiza estes bens" porque ese é "o sentir maioritario dos galegos". Para iso, a vía elixida é facer prevalecer a condición de BIC de ambos os elementos. No caso das estatuas do Mestre Mateo, están declaradas BIC desde o ano 2019, mentres que a biblioteca da escritora está incoado o expediente e, por tanto, a Xunta entende que é "para todos os efectos" un ben protexido. Patrimonio ten agora un prazo de tres meses para responder á petición dos Franco. Durante ese tempo, a Administración galega abrirá unha rolda de contactos coas "institucións culturais máis singulares do país" para solicitar informes sobre os que "asentar con solvencia unha solución específica" que permita que estes bens se manteñan entre o patrimonio galego. En concreto, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura e a Academia de Belas Artes son as entidades ás que recorre a Xunta, que tamén solicitará a opinión de "catedráticos de prestixio" para elaborar a súa estratexia legal dentro do ámbito das súas competencias. Resto de bens Respecto ao resto de bens que hai en Meirás, sobre os que os herdeiros de Franco teñen un prazo dun mes para retirar do complexo de Sada; o conselleiro dixo que os servizos xurídicos da Xunta concluíron que corresponde ao Estado "reclamar ou iniciar unha declaración BIC" para a súa protección. "Quen ten que incoar ese expediente BIC é o Estado", sentenciou Rodríguez "Son bens escritos ao patrimonio do Estado. Ten que ser o propio Estado, con base nos artigos 6 e 9 da Lei de Patrimonio Histórico de España", comentou o conselleiro, que ofreceu a colaboración da Administración galega. "Pero quen ten que incoar ese expediente BIC é o Estado", engadiu antes de emprazar a "facer as cousas ben" no plano xurídico para evitar "pasos atrás".
NOS_40036
A farmacéutica vén de anunciar que solicitou á Axencia Europea de Medicamentos (EMA) o permiso para poder comercializar a súa vacina como remedio contra a Covid-19 na adolescencia na Unión Europea.
A compañía Moderna demandou á Axencia Europea de Medicamentos (EMA) que lle conceda o permiso condicional para comercializar a súa vacina fronte ao coronavirus destinada á mocidade entre 12 e 17 anos na Unión Europea. Así o confirmou esta segunda feira o director executivo de Moderna, Stéphane Bancel. A farmacéutica apoia a súa solicitude sobre a inoculación á nova franxa de cidadás na segunda fase dos estudos de mRNA-1273 en adolescentes de entre 12 e 17 anos nos Estados Unidos de América. Nesta fase de investigación, observouse que a eficacia da vacina nas case 2.500 adolescentes que a recibiron foi do 100% cando se empregou a mesma definición de casos de fase 3 en adultos. No estudo detectouse unha eficacia do fármaco do 93% naquelas persoas que eran seronegativas a partir dos 14 días posteriores á primeira dose. Este remedio para paliar os efectos do virus foi tolerado ben de forma xeral. No caso dos EUA "a maioría dos eventos adversos foron de gravidade leve ou moderada". Os máis comúns que se fixeron públicos foron, por exemplo, a dor de cabeza, a sensación de fatiga ou o padecemento de calafríos. Ademais, a empresa fan fincapé na seguridade do seu traballo ao manter baixo vixilancia independente ás participantes na proba. De feito, a idea é manter ese control até que pase un ano da administración da segunda dose da vacina. "Aléntanos o feito de que a vacina de Moderna fora altamente eficaz na prevención da infección por Covid-19 e SARS-CoV-2 en adolescentes", destacou Bancel. "Solicitamos a autorización a Health Canada e solicitaremos unha autorización de uso de emerxencia á FDA estadounidense e ás axencias reguladoras de todo o mundo para esta importante poboación de menor idade. Seguimos comprometidos en axudar a acabar coa pandemia", engadiu.
PRAZA_16160
A formación quere "actuar politicamente contra a o espolio descarado e ilegal por uns gobernos que serven a intereses privados a costa da economía dos galegos e galegas"
A formación quere "actuar politicamente contra a o espolio descarado e ilegal por uns gobernos que serven a intereses privados a costa da economía dos galegos e galegas" En Marea presentou este venres en Santiago unha batería de iniciativas que vén de rexistrar no Congreso dos Deputados contra o "espolio" da AP-9 e coas que pretende desbloquear a transferencia a Galicia da titularidade da autoestrada e rematar cos "privilexios fiscais" das concesionarias. Nunha comparecencia no Parlamento de Galicia, o vicevoceiro de En Marea na Cámara autonómica, Antón Sánchez, e a deputada no Congreso Alexandra Fernández salientaron que as medidas pretenden "actuar politicamente contra a o espolio descarado e ilegal por uns gobernos que serven a intereses privados a costa da economía dos galegos e galegas". Por unha banda, En Marea presentou unha proposición de lei coa que pretende desbloquear o veto que o Goberno central e a Mesa do Congreso presidida pola popular Ana Pastor impuxeron a que se puidese sequera debater nesa cámara a petición unánime do Parlamento de Galicia de que a titularidade da autoestrada pase a mans da Xunta. Contra ese veto están presentados recursos xudiciais tanto de En Marea como do BNG. En Marea pide que rematen os beneficios fiscais e que as autoestradas que volvan a mans públicas non sexan novamente entregadas en concesión Por outra banda, En Marea tamén presentou dúas proposicións non de lei para o seu debate nas comisións de Fomento e Facenda do Congreso nas que reclaman a fin dos privilexios fiscais das concesionarias de autoestradas que lles permiten non ter que aboar ata o 95% do Imposto de Bens Inmobles (IBI) aos concellos polos que transcorren. Por outra parte, En Marea, como parte do grupo confederal de Unidos Podemos, xa presentou en decembro outra proposición non de lei na que insta ao Goberno a non volver a licitar as autoestradas radiais quebradas nin as que nos próximos anos verán vencer o seu período concesional. A súa intención é que esas infraestruturas pasen a ser xestionadas directamente pola Administración.
NOS_37001
Aspirantes das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes quéixanse da "falta de rigor" nas probas practicadas, con probas escritas onde as preguntas non tiñan a ver nin cos lumes forestais nin co coñecemento da zona e probas físicas supervisadas "por persoal das oficinas do Concello" e non por profesionais
Probas escritas onde non se requería demostrar coñecemento dos montes do lugar nin sobre incendios forestais; e probas físicas supervisadas "por persoal da protección civil e das oficinas do Concello" cando as bases estabelecían, entre outras cuestións, que as pulsacións d@s aspirantes serían medidas por persoal cualificado e cun pulsómetro. "A min púxome os dedos no pescozo un membro da protección civil, contou e anotou o que lle pareceu". A denuncia faina un veciño de Lalín con experiencia na extinción de incendios após varias temporadas traballando para Tragsa, para Seaga e para a Xunta de Galiza. Após superar todas as probas (dúas físicas e unha escrita), o seu nome apareceu no noveno lugar da listaxe de aspirantes. As prazas eran seis. Déronlle unha puntuación total (sumando probas, experiencia e méritos) de 1.86, cando só polo ciclo de Formación profesional que ten finalizado lle corresponderían, segundo as bases 2 puntos. Un tribunal composto por traballador@s do Concello Cando foi ao Concello reclamar explicáronlle que "por un erro deles fixen todas as probas, mais que en realidade xa non superara a primeira, que era un 'non apto'". Era a chamada 'proba do banco' e as bases estabelecen que será un profesional quen controle o ritmo cardíaco d@s aspirantes cun pulsómetro unha vez transcorridos 15' do final. Para a brigada de Lalín, e segundo denuncia este candidato, as pulsacións mediunas "colocando os dedos no pescozo" un integrante de protección civil "e o resto do tribunal eran da oficina do Concello" polo que recrimina que as seis prazas ofertadas "foron dadas a dedo". Das outras dúas probas que realizou, unha era un test con 20 preguntas e tres opcións a escoller. Para ningunha se requirían coñecementos da comarca "para saber a onde tes que ir se te chaman para un incendio, porque a convocatoria era para prevención, vixilancia e extinción de incendios". Tampouco se preguntaba nada que requirise experiencia nestes labores. Porén, había que saber "de cadros eléctricos ou de pó de aluminio". Unha aspirante, con formación de capataza forestal e estudante de Enxeñaría de montes, foi eliminada nesta proba. A terceira proba, tamén física, consistía en rozar a ras do chan un tramo de 10 metros en 10 minutos, e non houbo tampouco igualdade de condicións: "uns rozamos xuncos e outros rozaron fentos, mais a todos nos deron a puntuación máxima, un 5". En conversa con Sermos Galiza, este aspirante informa de que segue a agardar resposta após presentar a reclamación perante o Concello lalinense, malia que as cuadrillas comezaron hoxe (por esta quinta feira 1 de agosto) a traballar. "Non só meten a súa xente, senón que lles dan puntos para futuras convocatorias" Denuncia que non foi o de Lalín o único Concello en cometer "irregularidades" na contratación do persoal das brigadas. Segundo conta, as bases en Cerdedo (cada concello tiña as súas bases) daban 3 puntos pola experiencia, 3 por ser menor de 25 anos e 2 por ser maior de 45 e ter crianzas. En Forcarei "candidatos cos que falei dixeron que todo fora unha trapallada tamén" e un bo amigo seu que levaba 12 temporadas nas brigadas do Concello da Estrada quedou desta volta no posto "vinte e pico". Son moit@s @s aspirantes ás brigadas anti-incendios nas comarcas do Deza e Tabeirós as que mostraron a súa indignación perante a maneira aleatoria de realizar as probas de acceso. Quéixanse de que o PPdG, que goberna en todos os concellos da contorna, "non só están a meter a súa xente senón que lles están a dar puntos por méritos de tal maneira que terán vantaxe perante futuras convocatorias". E acrecentan: "iso se é que algún día as probas de acceso se fan de maneira limpa".
PRAZA_1017
Xavier Vence instou dende Lalín ao Goberno galego a "deixar de mirar de esguello" para involucrarse na defensa do sector. "Non podemos entender esta actitude pasiva da Xunta e do PP", dixo
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, acusou este sábado á Xunta de Galicia e, en concreto, ao presidente Alberto Núñez Feijoo, de "complicidade coas industrias" na súa "política de extorsión" aos produtores lácteos, obrigados a vender a prezos moi por debaixo do custe de produción baixo a ameaza de deixar de recoller o leite, o que na práctica supón unha "reconversión encuberta" das explotacións, segundo Vence. "É unha situación que condena ao sector a súa desaparición cun proceso de reconversión das 9.000 explotacións ante o poder absoluto das industrias", denunciou Vence "O sector está nunha situación alarmante e ao borde da catástrofe polos prezos que impón a industria coa autorización e coa complicidade da Xunta e do Goberno central. É unha situación que condena ao sector a súa desaparición cun proceso de reconversión das 9.000 explotacións ante o poder absoluto das industrias", denunciou Vence en Lalín nun acto con gandeiros e gandeiras. Para o dirixente nacionalista, son necesarias "medidas inmediatas por parte da Xunta para impedir o atropelo das industrias aos produtores, impedindo os contratos abusivos, controlando e impedindo as situacións de abuso" e, neste sentido, o BNG reclama "abrir xa un novo proceso de negociación creando unha interprofesional leiteira que permita un marco estable e igual entre todas as partes". Igualmente, o Bloque demanda do Goberno galego "unha regulación moi clara da cadea de distribución para impedir esa extorsión a través de prezos que arruínan ao sector". Na xornada sobre a situación dos sector interviron tamén a portavoz parlamentaria de Medio Rural, Tereixa Paz, responsables de Fruga, expertos no sector con Antonio Oca, e o candidato de BNG-Asembleas Abertas en Lalín, Xosé Manuel López, quen subliñou que "neste concello e en toda a comarca do Deza o sector agrogandeiro é clave para o desenvolvemento económico e a creación de emprego". "Non podemos entender esta actitude pasiva da Xunta e do PP deixando que a industria estrangule ao sector produtor e só é comprensible dun partido traidor aos intereses dun sector que é básico para o futuro de Galiza" Vence instou a Feijóo a "deixar de mirar de esguello" para involucrarse na defensa do sector. "Non podemos entender esta actitude pasiva da Xunta e do PP deixando que a industria estrangule ao sector produtor e só é comprensible dun partido traidor aos intereses dun sector que é básico para o futuro de Galiza". Ante a situación de "emerxencia" do sector, o Bloque fai un chamamento a toda a cidadanía "porque é un problema de país", un chamamento "a todos os actores implicados na cadea de produción leiteira para erguer unha voz de alarma urxente para que este sector clave non desapareza", concluíu. O dirixente do BNG fixo ademais unha reflexión crítica sobre a actitude "farisea" que amosan os alcaldes do PP dos concellos do rural O dirixente do BNG fixo ademais unha reflexión crítica sobre a actitude "farisea" que amosan os alcaldes do PP dos concellos do rural. "Vendo estes días certas fotos dos alcaldes do PP tratando de escenificar de cara a galería un compromiso do sector leiteiro nunha actitude absolutamente cínica e falsa, porque están dándolle amparo á política de esnaquizo do seu partido en complicidade coa industria esganando aos produtores que, ao fin e ao cabo, son os seus veciños e veciñas nos municipios do rural", argumentou.
NOS_19500
As autoridades canadenses non confirman cando retomarán as tarefas de salvamento.
Salvamento Marítimo vén de informar a Europa Press que sobre ás 21 horas na Galiza o Centro de Coordinación de Rescate de Halifax suspenderá o operativo de busca e rescate dos 12 mariñeiros desaparecidos tras o naufraxio do 'Vila de Pitanxo' durante a terza feira. A falta de luz e o mal estado do mar serían os motivos que levarían a tomar esta decisión. Salvamento Marítimo tamén recoñece que as autoridades canadenses non saben cando poderán retomarse as tarefas de rescate. Após máis de 48 horas desde que tivo lugar o naufraxio, foron rescatados con vida tres mariñeiros do pesqueiro, e puideron ser recuperados 9 corpos dos seus compañeiros. Nun primeiro momento os servizos de rescate falaran de dez falecidos confirmados, mais despois matizaron que se trataba dun erro de notificación, xa que se contabilizou un dos finados dúas veces. Condicións meteorolóxicas adversas Desde o momento do naufraxio, as condicións climatolóxicas condicionaron negativamente os esforzos de busca dos mariñeiros desaparecidos. Segundo reportou Salvamento Marítimo, as condicións climatolóxicas na zona eran extremas, con ventos de 60 km por hora, "mal mar e visibilidade reducida", con ondas de até 5 metros e cunha temperatura da auga que nesta época oscila entre os dous e catro graos. Asemade, Meteogaliza sinala que esa rexión está na traxectoria de paso das borrascas, o que aumenta a inestabilidade do tempo. No día de hoxe, as baixas temperaturas volveron a condicionar os labores de busca dos doce mariñeiros que aínda están desaparecidos. O Gran Banco de Terranova rexistra -7ºC e a sensación térmica pode chegar aos -17ºC. Ademais, os refachos de vento superan os 70 quilómetros por hora e as ondas alcanzan os cinco metros de altura. Primeiros recoñecementos dos falecidos O Ministerio de Asuntos Exteriores de Perú confirmou que, entre os corpos recuperados no naufraxio do 'Vila de Pintaxo', atópanse catro tripulantes de nacionalidade peruana e un máis con dupla nacionalidade española-peruana. Dos 24 tripulantes que que traballaban no barco pesqueiro, un total de dez tiñan a nacionalidade peruana. Cinco deles seguen desaparecidos no mar de Terranova.
NOS_33283
A preguntas do BNG na sesión plenaria.
O presidente da Xunta asegurou que se "se acredita a mala fe" da multinacional Alcoa para non vender a fábrica co fin de "eliminar un competidor", "entón o Goberno de España terá unha petición formal para intervir a compañía". Con rotundidade, Feixoo fixo esta afirmación no pleno do Parlamento, nunha sesión de control na que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, esixiu coñecer se o Goberno galego "traballa xa" na "intervención" da fábrica de aluminio primario, unha reclamación que os nacionalistas levan meses realizando. Durante un debate tenso, Feixoo subliñou que desde o mes de xullo, pasadas as eleccións galegas, Xunta e Goberno español están a traballar "xuntos" e en colaboración. O mandatario dixo que Alcoa está "en prazo de rectificar" e vender a fábrica, ou ben de forma directa a Liberty House ou ben á SEPI, para que logo a empresa pública lla revenda. Neste sentido, dixo que até esgotar estas vías, a fábrica non se pode intervir, polo que esta acción, que solicitará a Xunta -aseverou-, é o terceiro paso do procedemento.
NOS_3032
A versión actualizada do aznarismo gaña o congreso do Partido Popular. Pablo Casado, deputado nas Cortes, impúxose a Soraya Sáenz de Santamaría, ex vicepresidenta e tamén parlamentaria, cun discurso de dereita dura e que reivindica a figura de José María Aznar. Quen, por certo, non foi convidado ao cónclave popular.
Malia que a última hora a situación parecía máis equilibrada, acabou por se vencer a opción de Casado, que xuntou os apoios expresos do catro candidatos -incluída María Dolores de Cospedal- que non pasaron a primeira volta da escolla. 1.701 compromisarios votaron por el fronte a 1.250 que o fixeron por Sáenz de Santamaría. Na campaña previa á votación deste sábado o xa presidente do Partido Popular atacou frontalmente o dereito ao aborto, insinuou a necesidade de ilegalizar as formacións independentistas, cuestionou o espazo Schengen -despois de que un tribunal alemán se negase a extraditar a Carles Puigdemont polo delito de rebelión-, chamou pola herdanza de Aznar, defendeu "a man dura" en temas migratorios e asegurou que pretende "recuperar" votantes de Vox -organización ultradereitista fundada por un ex deputado popular. Hoxe, na súa intervención de agradecemento, afirmou que o Goberno de Pedro Sánchez ten "unha axenda de ruptura" e prometeu unha reforma da lei electoral "para non depender de bisagras nacionalistas nin de ningún outro partido que socave o noso proxecto". A receita de Pablo Casado para o "regreso" do PP -así o expuxo nada máis gañar o congreso: "O PP volveu"- semella pasar por un terreo discursivo análogo en non poucas cuestións ao de dereitas extremas con éxito en Italia, Francia, Polonia ou Hungría. Polo menos esa foi a posición que deliñou nos días previos á votación deste 21 de xullo. Mariano Raxoi, o presidente saínte, eludiu pronunciarse en público sobre a súa preferencia. Pero o certo é que Soraya Sáenz de Santamaría incluía na súa lista para o Comité Executivo Nacional (sic) persoas da máxima confianza do ex presidente do Goberno: Pilar Rojo ou Millán Mon. Na de Casado, Diego Calvo -vicepresidente do Parlamento galego e presidente do PP provincial da Coruña- e Alfonso Rueda -vicepresidente da Xunta e presidente do PP provincial de Pontevedra. É dicir, os escoltas de Núñez Feixóo. O perfil centrista de Feixóo, en cuestión Porque o congreso do PP tamén serviu para evidenciar a fenda que afasta a Raxoi de Feixóo. E a división practicamente á metade coa que a organización galega dos populares chegou ao cónclave. Por unha banda, as provincias de Ourense, que torcía por Saénz de Santamaría, e Lugo, onde a ex vicepresidenta contaba con importantes votos -por caso, o do portavoz no Senado, José Manuel Barreiro. Por outra, as atlánticas, partidarias do vencedor. Nas últimas horas, ante a incerteza e a forza numérica dos sorayistas en Ourense e Lugo, Alberto Núñez Feixóo tentou amosar neutralidade. Mais o seu enfrontamento con Sáenz de Santamaría e os pronunciamentos públicos de colaboradores próximos como Alfonso Rueda ou Diego Calvo situábano no bando de Pablo Casado, a opción máis dereitista que acabou elixido sucesor de Mariano Raxoi. O presunto perfil centrista do presidente da Xunta quedou, unha vez máis, en cuestión. Nota: imaxe dos compromisarios galegos con Mariano Raxoi no congreso do PP. A foto difundiuna o PP galego. Nota 2: información actualizada ás 17.00 horas. Nota 3: na lista de Soraya Sáenz de Santamaría para o Comité Executivo do PP non figuraba Ana Pastor, como erro informou esta noticia. No seu lugar si figuraba outra persoa da máxima confianza de Mariano Raxoi, a ex presidenta do Parlamento galego Pilar Rojo.
QUEPASA_640
Tania Fuegho: O lume creativo de Mazaricos.
Tania Fuegho é outro dos tesouros musiqueiros da Costa da Morte. O "lume creativo de Mazaricos", como xa a descibriu o bo de Suso Jurjo, acaba de sacar o seu novo videoclip, "Corazón inquieto". Trátase do avance do seu próximo disco, Rinquilinterna, do que o primeiro capítulo xa está nas plataformas dixitais. "Este primeiro capítulo está composto por catro temas, escollidos cunha idea moi clara, dar a coñecer parte da miña versatilidade como artista", explica esta "teimuda e persistente" cantante. Ademais, xa ten en marcha a Xira 2019, que será, polo de agora, o único xeito de coñecer o disco ao completo. "É a miña maneira particular de dar as gracias pola confianza e o cariño que levo recibindo durante todos estes meses en cada un dos espectáculos realizados ata o de agora", sinala agradecida. O 17 de abril comeza a xira en Vilar de Santos (Ourense): o 5 de maio en Pontevedra; o 12 de maio na Sala Capitol de Pontevedra e o 1 de xuño na Sala Café La Palma de Madrid. Este o primeiro aperitivo dunha xira dun concerto dual, que comeza en acústico pero que remata tremendamente rockeiro.
NOS_41910
Confrarías e agrupacións recollen nun documento os problemas que lles afectan e piden compromisos en temas como o saneamento das rías, a defensa da frota artesanal ou a etiquetaxe dos produtos.
'En defensa do sector do mar' é o nome do documento que unha ampla representación do sector do mar de Galiza, desde confrarías a asociacións mexilloeiras, agrupacións de mariscadoras ou organizacións de frota artesanal; elaborou para facer chegar ás formacións políticas que concorren nestas eleccións. Un informe no que expoñen os problemas do sector ao tempo que poñen sobre a mesa oito propostas concretas para responder a estas necesidades. "Non estamos falando só dos 33.000 empregos directos, senón de todo o tecido socio-económico intimamente vencellado ao sector do mar, que dá vida a todas as vilas do noso litoral costeiro e constitúe un sinal da nosa identidade", manifestan no documento. Unha importancia pola que entenden que "É vital conseguirmos o s compromiso real e efectivo [dos partidos] e que asuman as reivindicacións do sector nos programas electorais e nas vindeiras decisións do Goberno Central". Nos últimos 11 anos a flota pesqueira galega reduciuse en mais de 1.200 embarcacións (a meirande parte flota artesanal). A isto hai que engadir que especies autóctonas de grande importancia para a flota artesanal, o marisqueo e para a acuicultura vense claramente mermadas. Un ecsenario perante o que urxe adoptar decisións. Propostas A primeira demanda que fai o sector do mar é o saneamento integral das rías galegas, o coidado e protección do medio. A degradación do medio ambiente ten efectos directos e prexudiciais na actividade de mariñeiros, mariscadoras e bateeiros. "Para preservar o auténtico sector do mar galego, deberíase establecer un estatus de protección específico para aquelas áreas onde se practican a acuicultura extensiva, o marisqueo e a pesca artesanal, prohibindo nelas a implantación e desenvolvemento de calquera actividade que as poña en risco". Tamén se pide un cambio no sistema de Tacs e cotas que cualifican de "obsoleto" e de beneficiar só a unha minoría. "É necesario e urxente que o Estado español e a Xunta de Galicia actúen para mudar o criterio de reparto das cotas pesqueiras na UE, que se realiza en base ao mal chamado "principio" de Estabilidade Relativa (PER) e que discrimina ao Estado Español -e sinaladamente a Galicia- porque entrou na CE con posterioridade ao seu establecemento", apontan. A defensa da pesca artesanal é un dos eixos do documento, pedindo medidas e accións concretas para este sector fulcral no mar galego. Políticas específicas que tamén se piden para o marisqueo (.nos últimos quince anos o número de mariscadoras pasou de 6.551 a 3.826 en 2015). Sector mexilloeiro A acuicultura galega, líder no Estado e na UE, é sinónimo de cultivo de mexillón. A mitilicultura galega está baseada nun modelo propio de produción extensiva, enmarcada no medio ambiente e con marcada significación socio-económica. Unhas 2.400 familias están directamente implicadas nesta actividade, que ten un importante efecto multiplicador na economía e no emprego local (13.000 postos de traballo directos e indirectos). No documento pídense medidas de apoio e recoñecemento para este sector. Por último, recollen a defensa dos produtos galegos, da súa identificación e etiquetaxe.
NOS_38266
O 25 de xullo, Día da Patria Galega volta con forza após dous anos de pandemia.
O Día da Patria Galega vén, como todos os anos, cargado de actos e actividades que, normalmente, se concentran na capital do país, Santiago de Compostela. A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, dá inicio ás actividades xa o domingo 24 ás 17 horas, coa súa habitual homenaxe a Rosalía de Castro e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O emprazamento, tamén como vén sendo habitual, será o Parque de Bonaval da cidade compostelá e o acto contará coas intervencións de Uxía Pérez, militante de Galiza Nova en Bergantiños, Marta Gómez, secretaria xeral da organización xuvenil e Ana Pontón, portavoz nacional do BNG. Unha hora despois da homenaxe, Ceivar organiza por décimo quinto ano unha cadea humana pola liberdade das presas e presos independentistas galegos. O punto de encontro será a Praza da Galiza ás 18 horas. Unha das pretensións principais de Ceivar con esta acción é a de "denunciar as ilegalidades e ilegitimidades que estám a sofrer nas prisons espanholas". Vía Galega chama a participar nos actos do Día da Patria Galega A Mocidade pola Independencia (MPI), tamén sae ás rúas este 24 de xullo, no seu caso para reivindicar a liberdade de Chema Naia, condenado a dous anos e dous meses de prisión após verse envolto nunha carga policial que o deixou gravemente ferido. A manifestación de MPI sairá da Alameda de Compostela ás 20 horas. Tamén ao longo do día 24 terá lugar o Fórum Soberanista en Compostela. As entidades anfitrioas son a Fundación Galiza Sempre, a Fundación Moncho Reboiras e a Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas. Entre as actividades do Fórum Soberanista están palestras, debates e conferencias na que tamén participarán membros de fundacións soberanistas de Catalunya, Balears, País Valencià ou Euskal Herria. Para finalizar a xornada, terá lugar o Festigal, organizado por Galiza Nova, a Fundación Galiza Sempre e a Comisión Festigal. Entre as actuacións están as de Bratzantifa, a Banda da Loba, Familia Caamagno e Tanxugueiras. O Festigal continúa o 25 ás 18 horas cos concertos de Alberto Mvundi, Os John Deeres, Berto e DJ Ferromona. O Festigal volta con Tanxugueiras de cabeza de cartaz En canto aos actos institucionais, a Xunta da Galiza levará a cabo a tradicional entrega das Medallas da Galiza na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela que este ano serán entregadas a Julián Barrio, Paolo Caucci, Begoña Valdomar e José Carro Otero. Actos do 25 de xullo Como todos os anos, o BNG organiza manifestación polo Día da Patria Galega que partirá ás 12 horas da Alameda de Santiago baixo o lema Gañarmos o futuro. Finalizará na Praza da Quintana coa intervención da portavoz nacional da formación, Ana Pontón. Pola súa parte, o PP da Galiza fará, como é habitual, unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres. O PSdeG seguirá a súa tradición de asistir a Rianxo. Levarán a cabo un acto no Paseo da Ribeira diante do busto de Castelao, onte lerán un manifesto coa participación do seu líder, Valentín G. Formoso. Polo seu lado, Agora Galiza-Unidade Popular, Causa Galiza e o Partido Comunista pola República Galega levan a cabo unha manifestación conxunta ás 13 horas desde a Alameda de Santiago baixo o lema Independencia e socialismo. Tanto Anova, como Podemos e Esquerda Unida sinalaron a Nós Diario que non levarán a cabo actos políticos mais, no caso de Anova farán un xantar de confraternidade entre a militancia.
PRAZA_6124
O já centenário Tour de France, a mais importante competição ciclista do mundo, é um caso originalíssimo de superprodução de consciência nacional através do desporto
Quando em 1794 o abade Baptiste-Henri Grégoire apresentou o seu informe sobre a "Língua nacional" perante a Assembleia da República francesa, o resultado não podia ser mais desalentador para os jacobinos: seis milhões de "franceses" ignoravam complemente a língua nacional, outros tantos eran incapazes de manterem uma conversação nela, e apenas três milhões falavam o francés habitualmente. A partir dessa constelação promíscua de línguas e povos –bretão, valão, basco, bearnés, ocitano, picardo, catalão, normando, etc…- a maquinaria do Estado-nação acometeu, sob o relato mitológico dum suposto contrato de "identidade" por "cidadania", um brutal processo de homogenização nacional. Da cartografia ao sistema nacional de ensino, pasando polo serviço militar obrigatório ou mesmo as competições desportivas, a invenção dos "franceses" precisou de todas as tecnologías de nacionalização das multidões disponíveis. O já centenário Tour de France, a mais importante competição ciclista do mundo, é um caso originalíssimo de superprodução de consciência nacional através do desporto O já centenário Tour de France, a mais importante competição ciclista do mundo, é um caso originalíssimo de superprodução de consciência nacional através do desporto –retroalimentado, aliás, noutro elemento central na construção nacional francesa contemporánea: a banda desenhada de Asterix e Obelix, quem realizan o seu próprio Tour en A volta às Gálias. Durante quatro semanas o pelotão multicor percorre o "hexágono", pondo em valor a foça icónica do mapa e os seus limites, convertido, como diz Benedict Anderson, numa espécie de "logótipo nacional". O traçado da corrida joga com a dialética identitária do nós/outros: quer em chave inter-nacional, quando arranca de Irlanda ou se adentra em Bélgica (como referentes de oposição); que rem chave regional, quando percorre territórios interiores que reivindicam o seu facto diferencial. Recordemos que em julo do ano passado as forças de segurança francesas realizaram o seu maior despregamento na Córsega, não por qualquer ameaça do FLNC, senão para escoltarem o Tour na sua incursão –o vocabulário da corrida está inçado de metáforas militares- no território mais independentista do Estado. De cara ao exterior, o Tour projeta uma imagen perfeita da França, com o agro em plena colheita de verão, uns espaços e infraestruturas mui cuidadas, e as praias cheias de banhistas De cara ao exterior, o Tour projeta uma imagen perfeita da França, com o agro em plena colheita de verão, uns espaços e infraestruturas mui cuidadas, e as praias cheias de banhistas. Na minha infância velhos e nenos juntavamo-nos depois de comer na taberna, para vermos os finais de etapa de Indurain entre constantes mostras de admiração ao esfaltado das estradas francesas e a sua moderna maquinaria agrícola. Com certeza, o Tour televisado não há-de ser alheio à estranha aparição, no folclore dos castros, de mouros que agasalhavam os meninhos labregos com bicicletas de ouro. Durante a corrida a retransmissão da televisão francesa –que é a usada polo resto de canais- vai combinando a competição desportiva com imagens espetaculares das paisagens e monumentos, mostrados como valores nacionais para o público francés, e produtos turísticos para o estrangeiro. Sem o esforço que supõe ler Jules Michelet, fortalezas, castelos e igrejas vão pasando perante o espetador como um autêntico relato nacional "audiovisual", adubado com breves resenhas históricas por parte dos locutores. Sem necessidade de discurso explícito, o Tour materializa o pretendido ideal estado-nacional da "diversidade regional na unidade" inquestionada. De facto, as legendas da tele-retransmissão são monolíngues em francés –mesmo para as televisões internacionais- e sem a mais mínima concessão, nem folclórica, às línguas e toponímias autóctones. Ainda, o percurso do Tour remata invariavelmente em Paris, a "capital nacional", prévia passagem épica polo Arco do Triunfo e os Campos Elisseus. A volta ciclista à França é um cenário político no que muitas descobrimos a Europa dos povos rebeldes e solidários: à beira das estradas reunem-se centos de reivindicações ecologistas, sociais e nacionais, representadas por uma maré de bandeiras de tribos desconhecidas Assim como algum antropólogo tem estudado o caminho-de-ferro como elemento central na construção da identidade estadunidense, o Tour de France, em versão lúdica e desportiva, é mais um elemento vertebrador do relato nacional francés, reativado simbolicamente ano após ano com novas gestas e campeões. O Tour ajuda a imaginar a comunidade francesa. Mas como no ferrocarril do Oeste, o Tour também bateu com a sua resistência indígena. Tornado campo de batalha, a volta ciclista à França é um cenário político no que muitas descobrimos a Europa dos povos rebeldes e solidários: à beira das estradas reunem-se centos de reivindicações ecologistas, sociais e nacionais, representadas por uma maré de bandeiras de tribos desconhecidas. Nas etapas dos Pirineus, os protestos contra a dispersão dos presos políticos já formam parte duma paisagem que nem o silêncio atronador dos locutores espanhóis pode ocultar. Algo parecido começa a acontecer na Vuelta a España.
NOS_36331
O TSXG considera esta medida "idónea e proporcional" tendo en conta a situación epidemiolóxica actual.
O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) autorizou á Xunta esta sexta feira a prorrogar en todo o país, até o próximo 26 de febreiro, a exixencia de presentar o certificado Covid-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para desenvolver unha serie de actividades. Estaba vixente até este sábado, día 12. Segundo informa o TSXG, os maxistrados consideran que é necesario ampliar a vixencia da medida debido á situación epidemiolóxica da Galiza e á existencia de risco de transmisión do virus. Por tanto, o documento seguirá a requirirse para entrar nos locais de hostalaría e de lecer nocturno, así como para acceder ás residencias de maiores e de persoas con diversidade funcional, a instalacións fechadas nas que se practique actividade física e deportiva non federada, a piscinas cubertas, a albergues turísticos e a eventos multitudinarios ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o consumo no seu interior. Do mesmo modo, o certificado tamén continuará exixíndose ás visitas dos pacientes ingresados en hospitais. O TSXG conclúe no auto, contra o que cabe presentar recurso, que se mantén o xuízo de "idoneidade, necesidade e proporcionalidade" da medida, pois os valores que mostra o estudo técnico achegado pola Consellaría de Sanidade "seguen sendo elevados, o que indica que o virus continúa a ter unha elevada circulación". O pasaporte Covid-19, segundo subliñan os maxistrados, fai que sexa compatíbel o desenvolvemento de certas actividades "coa contención da expansión do virus". Ademais, destacan que a medida trata de protexer "persoas que presentan unha especial vulnerabilidade", como as residentes en centros sociosanitarios de maiores ou as hospitalizadas. Taxa de incidencia A sección terceira da sala do contencioso-administrativo do TSXG, de acordo coa información presentada pola Xunta, advirte que a taxa de incidencia do virus experimentou, desde o 10 de outubro 2021, "un forte incremento". Así, destaca que, a pesar da actual tendencia decrecente, "non se achega á taxa de incidencia que había antes do 10 de outubro de 2021, é dicir, ao comezo da sexta vaga". Así, sinala que o 29 de outubro a taxa acumulada a 14 días era de 18 casos por cada 100.000 habitantes, mentres que o pasado 5 de febreiro situouse en 2.653. A taxa de hospitalización en unidades convencionais tamén aumentou nos últimos sete días, ao pasar de 14 ingresos por 100.000 habitantes a 17. E, a respecto da UCI, a taxa de hospitalización subiu, pois o 5 de febreiro situouse en 1,22 por cada por 100.000 habitantes, fronte aos 0,78 que se rexistraron o 29 de xaneiro.
NOS_3565
Os dirixentes de Resistencia Galega, Antón García Matos e Asunción Losada Camba, condenados a 28 anos e tres meses de prisión na Audiencia Nacional.
Antón García Matos e Asunción Losada Camba aceptaron esta segunda feira unha condena de 28 anos e tres meses de prisión na sesión que decorreu na Audiencia Nacional (Madrid), ao asumir cargos de terrorismo, así como o seu papel como dirixentes da organización Resistencia Galega. Isto chega tras un acordo coa Fiscalía, que pedía nun primeiro intre 126 anos de prisión conxuntamente para as catro persoas acusadas. Despois de recoñecer os cargos que se lles imputaba, tamén se confirmou a sentenza para Miguel García Nogales e Xoán Manuel Sánchez, que foron condenados a catro anos e medio e tres anos de prisión respectivamente, por integración en organización terrorista. Tanto García Matos, alcumado 'Toninho', como Losada, recibiron un veredicto no que se axuntan oito anos de cárcere por pertenza a organización terrorista como dirixentes, e oito anos por fabricación, tráfico e subministración de explosivos. Tamén foron sentenciados a oito anos por fabricación e posesión de artefactos explosivos, dous anos e medio por posesión ilícita de armas, e un ano e nove meses de prisión e multa de 270 euros por falsidade documental. Inhabilitación absoluta As condenas contra Toninho e Losada implican inhabilitación absoluta onda unha medida de liberdade vixiada.
NOS_57865
Na segunda volta, o ex presidente obtería máis de 50% dos votos.
Unha nova enquisa difundida na noite desta segunda feira no Brasil pola consultora Ipec dá unha vantaxe de 13 puntos ao candidato do Partido dos Trabalhadores, Luiz Inácio Lula da Silva, con respecto ao líder do Partido Liberal e máximo dirixente do país, o ultradereitista Jair Bolsonaro, na primeira volta das eleccións presidenciais que decorrerá o vindeiro 2 de outubro. Arrinca a campaña electoral no Brasil: Lula avantaxa Bolsonaro nas enquisas Segundo este inquérito, Lula da Silva aumenta a súa vantaxe nun punto porcentual con respecto á mesma enquisa da semana pasada. Se ben o candidato do PT mantense en 44% de votos, Bolsonaro baixou nos últimos sete días de 32% a 31%. De cara á segunda volta, os apoios ao ex presidente do Brasil aumentarían até 52%, obtendo a maioría absoluta, fronte a 36% de Jair Bolsonaro. Na enquisa da semana pasada, estas porcentaxes situábanse en 50% e 37%, respectivamente, polo que a vantaxe aumentou dos 13 aos 17 puntos porcentuais. O xiro progresista en Suramérica impulsa Lula A enquisa tamén mostra que, na primeira volta, o resto de candidatos e candidatas quedarían da seguinte maneira: en terceiro lugar, o ex ministro Ciro Gomes, do Partido Democrático Laborista, con 8% dos votos; e a senadora Simone Tebet, do Movemento Democrático Brasileño, con 4%. Tendencias nas enquisas Até o de agora Lula da Silva obtén nas enquisas unha porcentaxe de voto superior a 40% por termo xeral, mentres Bolsonaro queda con 30% de media. Así, os prognósticos apuntan que o candidato do Partido dos Trabalhadores non lograría a maioría absoluta e pasaría á segunda volta con Bolsonaro. 50 Estados do mundo van ás urnas en 2022 De feito, a práctica totalidade das sondaxes posteriores á anulación das condenas por presuntos delitos corrupción de Lula da Silva situárono en cabeza, o que provocou que o seu principal rival, a imitación de Donald Trump, intensificase os seus ataques ao sistema electoral pondo en dúbida a "fiabilidade" das urnas electrónicas. Da Silva é a opción maioritaria entre a mocidade e as persoas con menos recursos económicos, alén de vencer nos distritos electorais do norte do país, sempre segundo as enquisas. O Partido dos Trabalhadores do Brasil aproba o binomio Lula-Alckmin Bolsonaro, pola súa parte, esperta unha maior simpatía entre os homes adultos, evanxélicos e de rendas máis elevadas, o mesmo electorado que facilitou a súa vitoria en 2018.
PRAZA_20199
A Asociación Ambiental Petón do Lobo e outras cinco entidades alertan de que o procedemento iniciado pola Xunta deixa fóra da protección toda a contorna da cavidade e non serve de freo á ameaza que supón a mina a ceo aberto próxima
O pasado mes de abril a Xunta viuse obrigada a iniciar o expediente administrativo para poder declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) a Cova Eirós (Triacastela), a única cavidade galega con pinturas e gravados rupestres (publicado no DOG do 2 de maio). A decisión chegaba despois de oito anos de demandas de colectivos sociais e investigadores e ante unha probable sentenza condenatoria do TSXG ante unha demanda de ADEGA. En outubro do pasado ano o propio Consello da Cultura Galega lle esixira esa figura de protección ante a ameaza que para a integridade do xacemento supón a actividade mineira de Cosmos. Porén, dende a Asociación Ambiental Petón do Lobo e outras cinco entidades (Asociación Cultural O Iribio de Triacastela, Verdegaia, a Asociación Sexta Columna de San Fins de Lousame, a a Asociación Ouriol do Anllóns e Cova Crea) alértase de que a declaración BIC nos termos en que está deseñada polo Goberno galego resultaría insuficiente para a a correcta protección do espazo, ademais de que deixa fóra outras covas próximas, entre outros elementos. A Xunta "limita a contorna de protección da Cova Eirós á 50 metros, en contra do criterio do CCG, que a fixa en 200 metros", polo que unicamente quedaría protexido o interior da cavidade En primeiro lugar, critican que se lle asigne á Cova Eirós a categoría de monumento, "en vez de xacemento arqueolóxico, a diferencia doutras covas semellantes como Altamira ou Atapuerca" e, igualmente, que a Xunta "limita a contorna de protección da Cova Eirós á 50 metros, en contra do criterio do Consello da Cultura Galega, que a fixa en 200 metros", polo que unicamente quedaría protexido o interior da cavidade, sen ter en conta a ameaza mineira das súas proximidades. Neste senso, a entidade alerta de que o Goberno galego "condiciona a protección do xacemento de Cova Eirós á finalización da vida útil da empresa mineira que explota a ladeira sur do monte Penedo", onde se sitúa o xacemento arqueolóxico. Así mesmo, sinala que a protección deixa fóra outras catro cavidades próximas, entre elas a cova da Cabaxa (ou da Catuxa) e cova da Graxeira (ou da Gralleira), todas elas inscritas no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos, e para as que o informe publicado polo Consello da Cultura Galega o pasado ano esixía tamén a declaración BIC, por mor da ameaza mineira: "tendo en conta a situación actual das Covas e as ameazas derivadas da explotación mineira da sua contorna, urxe proceder á sua declaración formal como BIC, que garanta unha acaída protección delas e da súa contorna". Aquel informe do CCG facía referencia, polo tanto, á protección integrada da contorna das covas que, como denuncia a Asociación Petón do Lobo, tampouco figura no procedemento iniciado pola Xunta. "Tendo en conta a singular relación das covas coa súa contorna, é preciso poñer en marcha as actuacións para a elaboración dun plan de protección e delimitación do BIC que comprenda tamén as interaccións existentes coas unidades paisaxísticas existentes e o trazado do Camiño de Santiago", dicía o informe do CCG. Da protección queda fóra tamén o Camiño Real, un camiño histórico con orixe romana, e tamén afectado pola actividade mineira de Cosmos. O Goberno galego "condiciona a protección do xacemento de Cova Eirós á finalización da vida útil da empresa mineira que explota a ladeira sur do monte Penedo", onde se sitúa o xacemento arqueolóxico Para a Asociación Ambiental Petón do Lobo, que segue as recomendacións fixadas polo Consello da Cultura en novembro, "a actividade mineira nesa zona está fora de lugar e do que se trata é de rehabilitar a parte destruída no Monte Penedo, recuperando na medida do posible o seu estado orixinal desde un punto de vista paisaxístico e medioambiental, con urxencia na restitución do réxime hidrolóxico orixinal e a cobertura vexetal, ao tempo que a protección da zona do Monte da Pedra contigua á zona de respecto do Camiño Francés onde se atopan as outras covas para evitar que sufra a mesma sorte que o Monte Penedo". A entidade chama a atención, polo tanto, sobre a "absoluta discrepancia de criterios" entre a actuación da Xunta e as recomendacións do Consello da Cultura. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural "parte da condición da continuidade de actividade mineira e limítase a trazar os mínimos contornos de protección, de xeito que non entorpezan esa actividade mineira, limitándose a protexer a boca da Cova de Eirós na cara norte", denuncian.
NOS_3741
Os tradicionais galardóns de Adega para subliñar o mellor e o peor do ano ambientalmente chegan á súa XV edición.
Adega volve outorgar os premios Osíxeno e Dioxina, galardóns cos que premia e castiga os comportamentos ambientais. O Premio Osxíxeno 2015, categoría individual, é para Xesús Asorey Martínez, secretario técnico da AGA (Asociación Galega de Apicultura) "pola súa loita incansábel por divulgar e manter viva esta actividade tradicional, especialmente nos últimos tempos cos problemas dos pesticidas e a vespa velutina".Na categoría colectiva o recoñecemento vai para Granxa Arqueixal, "referente da produción ecolóxica en Galiza e exemplo de dinamización e posta en valor do medio rural con iniciativas respectuosas e sustentábeis". Na outra beira están os premios Dioxina. En categoría individual va para a empresa ENCE, "pola súa teima en seguir contaminando outros 75 anos a ría de Pontevedra e ser responsábel da enorme estensión do eucalipto en Galiza". E na categoría de Dioxina colectiva, vai para os "líderes mundiais" responsábeis do "decepcionante resultado doCumio do Clima de París". Os premios entregaranse no decurso dun xantar de confraternización que terá lugar o vindeiro sábado 30 de xaneiro a partires das 14:30h na Nave de Vidán (Av. Mestra Victoria Míguez, 44, Compostela).
NOS_32687
Coincidindo coa Eurocopa, decorre en xullo o título de campións dos pobos e minorías europeas. O rival a bater, e gran favorito, o combinado de Tirol do Sur, bi-campión.
Un total de 30 equipos de nacións sen estado e mimorías nacionais desputará en xullo a 'Europeada', un torneo de fútbol que vai concidir coa Eurocopa dos estados. Este campionato chega á súa terceira edición, dura 9 días e no mesmo combínasde o deporte con celebracións culturais. A 'Europeada' está organizada por FUEN; organismo europeo integrado por organizacións de 33 países europeos. No torneo participarán combinados de Occitania, Tirol do Sur, Illa de Man (a pequena e descoñecida nación celta), Alta Silesia, Frisia, os romaneses co cantón suízo de Grisons, ou os tártaros de Crimea, entre outros. Non hai presenza de galegos, vascos ou cataláns. Por primeira vez, competición feminina Por primeira vez, nesta edición haberá tamén competición feminina, seis equipos, que participarán canda as 24 equipas masculinas. Nas dúas edicións anteriores (2008 e 2012), a selección de Tirol do Sur foi a triunfadora. No primeiro caso após derrotar aos croatas de Serbia e a segunda após se impor aos xitanos de Hungría. Info de Nationalia
NOS_41007
O marrón da acusación caeulle ao fiscal Strassera. A súa integridade e a da súa familia corrían perigo e, por riba, estaba só.
Baséase no proceso xudicial contra a cúpula militar responsábel das atrocidades cometidas durante a ditadura arxentina, denominada "Proceso de Reorganización Nacional", vixente desde o golpe de estado de marzo do 76 até decembro do 83. A cúpula saínte tamén intentou deixalo todo "atado e ben atado", mantendo durante meses o xuízo estancado nos tribunais militares. Cando o proceso pasou ao tribunal civil, os fascistas comezaron a tremer. O marrón da acusación caeulle ao fiscal Strassera. A súa integridade e a da súa familia corrían perigo e, por riba, estaba só. Ninguén da xudicatura quería meterse nesta lea, fose por conivencia co antigo réxime ou por medo. Un inexperto avogado, Luis Moreno Ocampo, e un grupo de mozos e mozas estudantes formaron o equipo xurídico dun dos procesos xudiciais máis importantes desde Nüremberg. Conta historia recente, mais non se limita a unha sucesión de eventos, senón que Santiago Mitre e Mariano Llinás arranxaron un guión repleto de intriga, emoción e, ollo, humor, moito humor. As escenas na que as vítimas relatan as terríbeis torturas e vexacións que tiveron que sufrir consegue equilibrarse co fino sentido do humor e personalidade coa que impregnan ao fiscal Strassera, fantástico Ricardo Darín. É o filme indicado pola Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas da Arxentina para optar a Mellor Filme Internacional nos Óscar. Conta con boas papeletas e, ademais, tamén é moi probábel que Mitre e Darín acaden sendas nomeacións nas categorías de Dirección e Interpretación Masculina; sen descartar a de Mellor Filme, tal e como fixera a Roma de Cuarón ou Parasitos, de Bong Joon-ho. De momento son meras especulacións, mais non é difícil augurar grandes recoñecementos internacionais a sumar aos que xa acadou en Venecia, co Premio Fipresci, ou na Zabaltegi, co Premio do Público. O filme de Santiago Mitre é unha desas rara avis que sobrevive nos cinemas ao tempo que está dispoñíbel nas plataformas de vídeo baixo demanda, concretamente na de Jeff Bezos. Non sabemos o tempo que vai durar este pequeno milagre, mais denota, ou iso me gusta pensar, un lixeiro cambio de paradigma. Acudir ao cinema estase convertendo nun acto de resistencia e rebeldía para ese tipo de persoas que non nos resignamos a cambiar o mellor lugar onde poden verse películas pola comodidade do sofá. Quizais debería ser ese o camiño: convivir, en troques de ser excluíntes. Claro, que un filme tan bo como Arxentina 1985 tamén axuda a que se dean estas circunstancias.
NOS_9313
Sharice Davids (demócrata, Kansas), Deb Haaland (demócrata, Novo México) foron reelixidas nas eleccións estadounidenses e acompañaráas Yvette Herrell, unha republicana cherokee eleita en Novo México.
Sharice Davids, membro da Nación Ho- Chunk de Wisconsin, gañou o distrito polo que concorría en Kansas. Beb Haaland, membro de Laguna Pueblo e con herdanza de Jemez Pueblo, derrotou Michelle García Holmes para gañar en Novo México. Davids, vicepresidenta do Caucus de Nativos Americanos, sinalou: "Foi unha incríbel honra poder representar esta comunidade no Congreso durante os últimos dous anos, e estou moi agradecida de que confíen en min para continuar nese papel". Haaland, co presidenta do Caucus de Nativos Americanos e membro do Subcomité de Pobos Indíxenas dos Estados Unidos, dixo: "Esta noite, o pobo de Novo México elixiu a esperanza por riba do medo, o amor por riba do odio, a comunidade por riba da división". Engadiu, "Hai dous anos, convertinme nunha das dúas primeiras mulleres nativas elixidas á Cámara de Representantes na historia do noso país. Durante o meu primeiro mandato centreime na loita para protexer a nosa Terra e contra o cambio climático, o recoñecemento de que todo estadounidense ten dereito á atención médica, a necesidade de enfrontar a inxustiza racial, o chamado a proporcionar unha boa educación para todos os nosos nenos, e o deber de axudar a fomentar unha economía que cre oportunidades para todos". Pola súa banda, Herrell, da Nación Cherokee, que derrotou o candidato demócrata Xochiti Torres, dixo: "É a honra da miña vida ser elixida para servir a Novo México. O meu compromiso con cada cidadán do noso distrito é que servirei a cada un deles con integridade mentres traballamos xuntos para reconstruír a nosa economía e protexer os valores que fan grande a América". Davids, Haaland e Herrell uniranse aos congresistas nativos americanos Markwayne Mullin (da nación Cherokee) e Tom Cole (membro da Nación Chickasaw de Oklahoma).
NOS_25667
Máis dun cento de representantes municipais e militantes asistiron ás xornadas organizadas en Pontevedra pola formación nacionalista sobre estes modelos.
Máis dun cento de representantes municipais e militantes participan nas Xornadas nacionais de mobilidade e compostaxe organizadas polo BNG en Pontevedra e nas que se debullan estas cuestións, que a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, sitúa como claves da "marca BNG". Pontón afirma que cando os galegos e galegas cren nas súas posibilidades "somos quen de pór en práctica modelos únicos e avanzados" tales como o 'modelo Pontevedra' de mobilidade e a compostaxe como sistema de xestión do lixo. "Hai que ter moita confianza no noso pobo para botar a andar cun modelo único e avanzado, para crer que somos quen de levalo adiante", manifestou, para engadir que "só o BNG pode levar adiante un modelo como o de Pontevedra, ou como o doutros concellos" onde gobernan os nacionalistas. Indicou que as xornadas permiten ofrecer "á nosa xente" información sobre eixos de goberno prioritarios a través de persoal técnico e responsábeis políticos "coa mellor preparación e formación" para que eses modelos poidan ser aplicados nas diferentes vilas e territorios "sempre adaptándoos ás súas peculiaridades". Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, destacou o traballo feito no concello de Pontevedra"O noso obxectivo era devolver a cidade aos cidadáns. Por iso foi e segue a ser fundamental actuar en base ao coñecemento, pero tamén ter valentía política para facelo fronte aos atrancos". Xornadas Para abondar nas claves dos modelos de mobilidade e compostaxe aplicados en Pontevedra realizáronse diferentes relatorios e mesas de debate. A concelleira Carme da Silva explicou que o goberno local de Pontevedra considerou dende a súa toma de posesión en 1999 que o espazo público debía ser considerado e concebido como un servizo público. "Nos moitos sitios nos que demandan a nosa presenza para explicar o modelo Pontevedra, adoita haber quen nos fai a seguinte pregunta: Cré que outra forza política podería desenvolver un modelo como o que fixeron en Pontevedra? A resposta é sempre a mesma e rotunda. Non ", indicou Da Silva. César Mosquera argumentou os motivos polos que é axeitado aplicar a compostaxe como sistema de xestión de lixo na Galiza e lembrou que a lexislación europea obriga, de cara ao 2020, a preparar para a reciclaxe o 50% do contido da bolsa do lixo, algo dificilmente asequible se non se trata a parte orgánica dos residuos, que supoñen aproximadamente 40% da mencionada bolsa.
PRAZA_10926
A Xunta iniciou a tramitación da 'Universidad Intercontinental de la Empresa', impulsada por Abanca a través de Afundación, e que utilizará as actuais sedes da Instituto de Educación Superior Internacional de Empresa (Ieside). Centrarase nas ciencias sociais e xurídicas, enxeñaría e arquitectura e está previsto que comece no curso 2020-21
A Xunta vén de iniciar a tramitación da que será a primeira universidade privada de Galicia, a 'Universidad Intercontinental de la Empresa', impulsada por Abanca a través de Afundación. O centro terá a súa sede administrativa en Santiago de Compostela, aínda que impartirá os seus estudos na Coruña e Vigo, nos actuais centros do Instituto de Educación Superior Internacional de Empresa (Ieside). A nova universidade iniciará a súa andaina unha vez que se aprobe a lei que a constitúe e as previsións é que xa poida estar en funcionamento no curso 2020-21, aínda que dependerá dos prazos da tramitación da norma. O centro terá a súa sede administrativa en Santiago, aínda que impartirá os seus estudos na Coruña e VigoA Universidade Intercontinental da Empresa botará a andar con catro graos, catro másters e dous programas de doutoramento, centrada nas ciencias sociais e xurídicas, enxeñaría e arquitectura. As ensinanzas, "especializadas no eido da empresa", impartiranse nas seguintes estruturas docentes: Instituto Universitario de Administración de Empresas e Dereito, Instituto Universitario de Enxeñaría e Tecnoloxía Empresarial e Instituto Universitario de Investigación. O centro expedirá títulos "de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional" nas modalidades presencial e semipresencial.A universidade podería botar a andar xa no curso 2020-21A universidade constitúese como "Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa", sen ánimo de lucro. Segundo o anteproxecto de lei, nova a universidade establecerá un sistema propio de bolsas e axudas ao estudio en consideración ao expediente académico do/a estudante e as súas circunstancias persoais e familiares, para o que destinará o 15% dos ingresos totais obtidos anualmente.Na actualidade, o Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE) está adscrito á Universidade de Vigo, unha adscrición que se manterá ata que se conceda a autorización do inicio das actividades á Universidad Intercontinental da Empresa. IESIDE xa impartía os estudos oficiais de grao en Administración e Dirección de Empresas e o máster universitario en Dirección e Administración de Empresas.As ensinanzas, "especializadas no eido da empresa" estarán centradas nas ciencias sociais e xurídicas, enxeñaría e arquitecturaEn decembro do pasado ano coñecíase que Afundación realizara no mes de outubro unha solicitude formal ante a Xunta para constituír a primeira universidade privada de Galicia, o que levou ao reitor da Universidade de Vigo a amosar a súa "preocupación". Manuel Reigosa sinalou que "albiscamos con preocupación a implantación dunha oferta formativa paralela e semellante á do Sistema Universitario de Galicia" e alertou de que "se isto se aproba, imos estar vixiantes cos títulos que se implantan para que non estean repetidos".A lei obriga a que o catálogo de novas titulacións ofertadas sexa "complementario e non reiterativo respecto das titulacións preexistentes"En efecto, a Lei 6/2013 do Sistema universitario de Galicia obriga a que no caso de que se cree unha nova universidade, "o catálogo de titulacións ofertadas deberá ser complementario e non reiterativo respecto das titulacións preexistentes e consolidadas". (artigo 13).Na actualidade, ademais de IESIDE xa estaba operando en Galicia CESUGA, adscrita á aragonesa Universidad de San Jorge, e que nos últimos anos levou a cabo movementos para constituír unha universidade privada de seu en Galicia, o que tamén espertou a preocupación e as críticas por parte das universidade pública.
PRAZA_6295
"Non sobra ninguén. Todas somos necesarias. Só así lograremos que a maioría social tome María Pita", di o proxecto nun comunicado no que aclara que non vén "substituír ningunha formación" e no que pide "xenerosidade" para "entender a diferenza como enriquecedora".
A Marea Atlántica, iniciativa que busca "recuperar María Pita para o 99%" a través dunha confluencia cidadá que remate nunha candidatura para as municipais de 2015 na Coruña, dá un paso máis. Logo desde chamamento á cidadanía "para unirse nun proceso de construción horizontal", o proxecto estende agora ese mesmo chamamento a "todas as organizacións políticas e sociais que desenvolven a súa actividade na cidade", consciente de que moitos deles levan tempo "loitando polos obxectivos" que defenden "no manifesto dende diversas perspectivas e xeitos de entender a acción colectiva". "A Marea non pretende substituír nin suplantar ningunha organización, senón ser un espazo de agregación e confluencia" A Marea Atlántica, que insiste en aclarar que non é partido político ningún, asegura nun comunicado que "non pretende substituír nin suplantar ningunha das organizacións que traballan na Coruña, senón ser un espazo de agregación e confluencia, onde se poidan aproveitar e darlle vías de participación a todas as ideas e proxectos que compartan os principios de participación e democracia, rematando dunha vez coas políticas ditadas polas elites económicas e poñendo as institucións municipais ao servizo dos veciños e as veciñas". Por iso, e nese obxectivo, a Marea Atlántica cre que "é prioritario contar con todas as voces e todas as vontades posíbeis". "Entre elas, as das organizacións políticas e sociais cun traballo contrastado en defensa dos principios que compartimos", aseguran, tras facer este "chamamento público a todas elas para que se unan á marea democrática que vén". "É prioritario contar con todas as voces e todas as vontades posíbeis" A Marea Atlántica asegura que "pretende ir máis alá dun simple agregado de siglas ou organizacións". "Cremos que a marea pode ser o vehículo perfecto para poñer en común todas as ideas e proxectos colectivos que percorren a cidade, para que sexan enriquecidas polo contacto coa cidadanía, para poñelas ao servizo de todas e impulsalas de xeito que cheguen a ser determinantes no goberno municipal", explican. Nese intento por conformar "un espazo de confluencia de todos e todas", a Marea Atlántica cre que as organizacións políticas e sociais "poden atopar nela o lugar onde dar a coñecer os seus proxectos, onde enriquecelos coas achegas dos veciños e veciñas da cidade, e onde utilizar todo o traballo realizado para construír colectivamente un programa de goberno radicalmente democrático e que defenda os intereses do 99%". "Un lugar onde cidadás e organizacións políticas e sociais teñan un espazo para poñer en común as súas ideas e proxectos sobre a cidade, de xeito que, entre todas, poidamos levar ese programa a María Pita", insiste un movemento que xa deixou claro que chega "para gañar". O proxecto pide "xenerosidade" para "entender a diferenza como un elemento enriquecedor e incorporarse desde abaixo á Marea" Ante estes chamamento, a Marea pide "xenerosidade para poñer a disposición de todas o traballo realizado, para aceptar a mutación e construción colectiva a partir do xa feito, para poder asumir entre todas ese traballo, facelo propio e multiplicar a súa potencia ou para aceptar a diversidade baixo os mínimos comúns fixados no manifesto e que todas compartimos". Tamén, engaden, "para entender a diferenza como un elemento enriquecedor e, ao fin, incorporarse dende abaixo á marea". E para logralo tamén solicita "apoio" a todas as organizacións "que se sintan identificadas co proxecto un apoio público e explícito ao mesmo, na medida das súas posibilidades, así como a participación de todos os seus membros, en igualdade de condicións co resto dos veciños e veciñas da Coruña". Para ir artellando este lugar común, o proxecto cre que a comunicación entre as organizacións políticas e sociais e a propia Marea debe ser "fluída, flexíbel, transparente e multidireccional". Así, e "dende xa", o denominado Grupo de Traballo de Apertura ponse á disposición destas organizacións "para explicar o proxecto, aclarar posíbeis dúbidas e establecer vías de construción conxunta". "Queremos abrir os nosos grupos de traballo e as mareas sectoriais e barriais ás diferentes militancias e activismos, procurando un equilibrio entre o carácter esencialmente cidadán da marea e a necesaria participación dos veciños e as veciñas xa organizados. E queremos facelo con total transparencia. Os achegamentos, reunións, e acordos deben ser públicos e sen outros condicionantes previos que os derivados da propia natureza do proceso", aclara. Cooperación, confluencia e adhesión individual A Marea expresa tamén no comunicado os "principios básicos" que entende que deen rexer este proceso. Así, aposta pola "cooperación", polo que a Marea Atlántica "non desenvolverá ningunha iniciativa nin ferramenta que xa fose activada por outros axentes colectivos no mesmo contexto, senón que cooperará con eles". Do mesmo xeito, busca a "confluencia", aclarando que "non pretende xerar unha nova organización política para competir con outras, senón abrir un espazo de confluencia entre as que xa existen e a cidadanía". Do mesmo xeito, sitúa tamén a "creatividade" como un dos seus principios básicos porque, segundo din, a Marea "non pode ser tampouco unha simple suma do que hai, e debe dotarse dun método que multiplique e vaia máis alá do existente". Ademais, reclama "inclusión", polo que as iniciativas e ferramentas coas que xa conta o proceso "serán asequíbeis ao conxunto da cidadanía, e non unicamente a aquela xa organizada politicamente". A Marea exixe "adhesión individual" ás persoas, pertenzan ou non a un partido, para "diluírense no proxecto de xeito individual e dende abaixo" Ademais, a Marea require "adhesión individual" porque "as persoas, pertenzan ou non a unha organización política, e fóra do que nelas representen, diluiranse na marea de xeito individual e dende abaixo". Do mesmo xeito, apostan pola "autonomía", xa que a cidadanía é o "suxeito político do proceso da Marea Atlántica, non unicamente o seu aval". "As ferramentas e métodos de traballo serán coherentes con este principio", rematan. "Neste obxectivo non sobra ninguén. Todas somos necesarias. Só así lograremos que a maioría social tome María Pita" A Marea Atlántica, á que só lle faltan unhas 1.200 sinaturas para avalar a súa iniciativa de aquí ao outono, segue así o seu camiño no propósito de "conquistar o Concello" e, deste xeito, "poñer unha pequena pedra máis no obxectivo de recuperar o control sobre as nosas vidas, de deixar de ser monicreques en mans doutros ou simples variábeis económicas ou financeiras para o enriquecemento dunha minoría". "Neste obxectivo non sobra ninguén. Todas somos necesarias. Só así poderemos vencer os atrancos e as barreiras que seguramente se porán no noso camiño. Só así lograremos que a maioría social tome María Pita", finalizan.
NOS_6666
Jorge Coira recibe o Pedigree de Honra do Festival de Cans, un certame co que di sentirse identificado polo que ten de auténtico, de vínculo coa terra e de falta de soberbia. Coira, que tocou todos os xéneros, presentará en Cans un documental sobre Xosé Manuel Beiras e as primeiras imaxes do seu próximo filme: Proxecto Emperador.
Leva décadas aí. Con curtas como O matachín ou A ti como se che di adeus? Con longametraxes como 18 comidas ou Eroski Paraíso. Con series como As leis de Celavella, Padre Casares ou Hierro. Jorge Coira nunca deixou de teimar en facer cinema e en mudarlle a cara á industria do audiovisual galego. Agora, o Festival de Cans recoñece o traballo realizado nestes anos concedéndolle o Pedigree de Honra. "Eu teño unha relación moi estreita con Cans -explica Coira en conversa con Nós Diario-, sen dúbida, é o festival ao que máis veces fun na miña vida. É tan auténtico e tan especial que me provoca unha grande emoción ser premiado alí. Porque ademais conecta moito coa miña forma de entender o cine: tomar moi en serio a súa capacidade de contar historias, de emocionar e de provocar reflexión, mais ao tempo sen renunciar a unha certa visión lúdica da vida, conectada coa terra e renunciando a toda pretenciosidade. Ás veces poñémonos moi pomposos con todo isto das alfombras vermellas e parece que nos tomamos moi en serio a nós mesmos. Mais no fondo, só contamos historias para conectar co público, para reflexionar xuntos". A carreira de Coira non deixa ningún xénero sen tocar, o que parece indicar que considera que calquera forma de audiovisual é unha proxección do cinema. "Si, en certa maneira, todo é cine. A cinematografía é a escrita a través de imaxes en movemento e, a partir de aí, o que hai son diferentes xéneros que se adecúan máis o menos ao que queres contar. Que se trate dunha obra de hora e media ou dunha serie de 30 episodios non cambia a esencia. As diferenzas están máis nos presupostos artísticos e, nun aspecto máis práctico, en que medios tes a túa disposición para contar o que queres". "Estes días déronme a noticia de que Hierro se estreou en HBO nos Estados Unidos. Hai anos iso sería case unha utopía" As transformacións da industria galega do cinema Nese sentido, Coira foi protagonista dos cambios que sufriu a industria audiovisual do país. Agora, no mundo da televisión, é recoñecido, sobre todo, por Padre Casares ou por Hierro, mais As leis de Celavella xa supuxera un gran paso adiante na produción galega. "Eu desfrutei moitísmo facendo aquela serie", lembra. "Era un momento en que a produción da Galiza estaba medrando e eu tiña a sensación constante de que estabamos facendo algo importante. Era unha proposta moi arriscada nun momento en que non había series de época. Segue parecéndome dunha madurez tremenda, se temos en conta os poucos medios cos que contabamos". Esa madureza do audiovisual galego medrou expoñencialmente desde que Coira comezou, e non deixa de mostrar satisfacción polos logros conseguidos. "Aínda queda moito por mellorar", di, " somos un país pequeno e a industria segue sendo feble en moitos aspectos, pero o salto en calidade que se deu nos últimos anos é espectacular. Estes días déronme a noticia de que Hierro se estreou en HBO nos Estados Unidos. Hai anos iso sería case unha utopía". Tamén a variedade da nosa industria é motivo de gozo: "Hai moitas liñas de traballo que están funcionando moi ben, desde o cine de autor até as series comerciais, e é unha gozada poder ver isto". "A figura de Beiras esperta verdadeiras paixóns: para ben e para mal. Nós quixemos facer un retrato da súa personalidade e da súa traxectoria mostrándoo dun xeito moi transparente, para que despois cada quen o xulgue como queira" Beiras e Tosar no horizonte O día da entrega do Pedigree de Honra estrearase Beiras, vivir dúas veces, un documental sobre Xosé Manuel Beiras que non deixa de ser unha rareza na súa filmografía. "A idea partiu dun amigo común que nos falou da posibilidade de contar con Beiras para facer unha película sobre a súa figura. A nós [a película asínana tamén o seu irmán Pepe e Gaspar Broullón] interesounos desde o principio non tanto facer algo sobre el como facer algo con el. Un filme no que se poida ver a súa forma de ver a vida. Creo que foi un privilexio: Beiras é un personaxe importantísimo na vida política da Galiza das últimas décadas e, ademais, mantén un contacto moi próximo co mundo cultural, o que lle dá un maior interese. A súa figura esperta verdadeiras paixóns: para ben e para mal. Nós quixemos facer un retrato da súa personalidade e da súa traxectoria mostrándoo dun xeito moi transparente, para que despois cada quen o xulgue como queira". Ademais, ese mesmo día, poderán verse as primeiras imaxes da longametraxe que acaba de rodar, Proxecto Emperador, e na que volve traballar co seu vello amigo Luís Tosar. "É un thriller de espionaxe na que se fala da realidade dese mundo: non se trata de superheroes senón de persoas con conflitos reais. Quixen tratar ese universo que ten a ver co manexo da información e das influencias políticas que, ademais de ser moi actual, é moi complexo, porque nel aparece o máis escuro da sociedade, pero tamén posúe o antídoto contra a súa parte sombría, contra o crime organizado por exemplo. Fúndense aí elementos moi extremos que permiten que as emocións se mesturen dunha forma moi novelesca".
PRAZA_9726
O maço de naipes espanhol vem de imprecisos tempos recuados mas ficou congelado no ouropel medievalista de guarda-roupa teatral que hoje ostenta como lembrança da estética historicista que lhe deu formato definitivo, alá no último quartel do século XIX
Sota, cavalo e rei é um sintagma quase esquecido já que alude a algo consabido ou reiterado. A sota o cavalo e o rei vem sendo o estado-maior das quatro famílias régias dos ouros, as copas, as espadas e os bastons que já foram rainha, cavaleiro e rei no século XVI. O cavaleiro segue no seu cavalo mas a rainha deu em modesta sota subordinada como parábola da capitulaçom do amor cortês ante a máscula tropa patrilinear.Som da opiniom de que nada ganham os nossos ouros, copas, espadas e bastons ao se travestirem de picas, trevos, coraçons e diamantes para poderem ser admitidos nos salons da França e a Inglaterra. É como trocar umha animada partida de taverna por um pretensioso salom rococó, nom é?O maço de naipes espanhol vem de imprecisos tempos recuados mas ficou congelado no ouropel medievalista de guarda-roupa teatral que hoje ostenta como lembrança da estética historicista que lhe deu formato definitivo, alá no último quartel do século XIX. Tempos de revivalismos, com aquela Irmandade Pré-rafaelita como símbolo mais perfeito. Idade meia sonhada como fuga ao tempo das donas de corpo delgado trovadas por Cunqueiro: A dama que ia no branco cavalo levava um pano de seda bordado / O cavaleiro do cavalo negro levava unha fita colhendo-lhe o pêlo. Naipe, estampa medieval em disfarce extemporáneo, inquietante convite também ao tarot de meigaria para conjurar desacougos que nos tiram o sonho; um desamor, um pleito, umha pergunta ao futuro temido.Baralhar, que vale por brigar ou contender, é verbo antigo que anda nos nossos textos medievais para acabar designando o simples parolar sem tino e a acçom de misturar cousas ou mexer naipes em procura dessa desordem equitativa que a sorte requer para se manifestar. Deconhecemos a etimologia do substantivo baralha, a nom ser que derive do verbo baralhar, misturar, embora haja quem pretenda derivá-lo do baraka árabe que significa sorte. Nom parece muito razoável mas, quem sabe, franceses, ingleses e italianos ignoram o termo.A ciência do baralho espanhol estabelece que o seu desenho actual procede de um impressor burgalês de origem francês e afincado em Vitoria de nome Heráclio Fournier, premiado pola sua proposta gráfica na Exposiçom Universal de Paris de 1868. O formato gráfico definitivo, aliás, é posterior, do ano 1889 concretamente, em que o baralho renovado volve a ser premiado na Exposiçom de Paris desse ano à sombra da torre Eiffel levantada para a ocasiom. Este foi o avatar definitivo do baralho hispánico, conhecido hoje em todo o mundo e do qual os sucessores de dom Heráclio vendem actualmente 16 milhons de maços por ano mundo afora para fornecer casinos e salas de jogo.Dom Heráclio nascera em Burgos em 1849 e morreu na França em 1916, em plena guerra mundial. Entrementes, instalado definitivamente em Vitória, dom Heráclio irá provando desenhos até o quase definitivo de 1877, saído dos saberes de um professor de debuxo de nome Emilio Soubrier —o toque francês parece inspirar a casa de Vitória — e do pintor gasteiztarra Ignácio Díaz Olano. Finalmente, depois de comercializar algumha variante de êxito nos primeiros noventa do XIX, um tal Augusto Rius fixa para a posterioridade o famoso maço de naipes de 1899 presidido por um dom Herakles triunfal em formato de as de ouros, ornado de generoso bigode e pêra como imperador internacional do naipe definitivo.O baralho espanhol consagrado em Paris ao pé da torre Eiffel é produto tardo-romántico de quando concluía a terceira guerra carlista (1872-1876) e Espanha se aplicava à leitura do enaltecedor relato da sua história redigida polo ilustre militante liberal dom Modesto Lafuente. Vinha em seis tomos, editados por Montaner y Simón em 1877 para por ordem e concerto patriótico no acontecer de Espanha desde os míticos tempos primitivos até a morte de Fernando VII. As cuidadas litografias de armaduras, navios, monarcas, estampas e documentos iluminárom o primeiro imaginário da grandeza pátria.Ultrapassados os três primeiros quartos do século XIX, Espanha viveu unha particular telenovela romântica a conta do infortunado rei Alfonso e a sua namorada Mercedes. Alfonso XII fora proclamado rei em 1874 e, dous anos após, recebido em Madrid com entusiasmo depois de cerrar a triunfal campanha da guerra carlista na frente norte. Em 1878 o jovem monarca casava com dona Maria das Mercedes que ia falecer cinco meses após com 18 anos recém-cumpridos; 21 tinha o infeliz monarca viúvo prematuramente.A história bem merecia um romance e o romance nasceu como eco de um esquecido antecedente da guerra de Granada recolhido por Gerald Brennan1 «¿Dónde vas, buen caballero? ¿Dónde vas tú por ahí?» «Voy en busca de mi esposa: que hace tiempo no la vi» O cavaleiro vai-se transfigurar no atribulado monarca viúvo da sua fugaz Mercedes: ¿Dónde vas Alfonso XII? ¿Dónde vas triste de ti?".Da mao de dom Modesto Lafuente, em plena restauraçom monárquica, Espanha adoecia de umha recaída tardo-romántica impregnada de medievalismo pitoresco, semelhante às icónicas figuras de guarda-roupa teatral de dom Heráclio Fournier. O medievo sonhado salta ao lenço evocador do paraíso histórico perdido como para ilustrar a História de dom Modesto. "El testamento de Isabel la Católica" (1864) de Eduardo Rosales, "El entierro de Felipe el Hermoso" (1877) e "La rendición de Granada" (1882) de Francisco Pradilla pontuam o itinerário da história imaginada. As sotas, cavalos e reis de Fournier, com as suas calças cingidas, amplos gibons e mantos bordados adereçam nas mesas de jogo o cenário ideal.Inesperadamente, o esquivo poder evocador do naipe toca a mágica sensibilidade do artista, como no onírico jogo de naipes de Balthus ou na dilacerante metáfora de Luís Cernuda: "Qué más da. Tu destino es mirar las torres que levantan, las flores que abren, los niños que mueren; aparte, como naipe cuya baraja se ha perdido". Como naipe cuya baraja se ha perdido.1 http://www.ugr.es/~pwlac/G09_17AntonioJ_Lopez-Antonio_Munoz.html
PRAZA_8400
A fonte da información concluíndo, parecen ser as forzas de seguridade ou/e fiscalía. É función destes órganos crear opinión ou investigar e perseguir delitos? Aínda que as actuacións xa non sexan segredas para as partes, responde á concepción dunha fiscalía respectuosa da presunción de inocencia filtrar dados dunha investigación que sinala como culpábeis de integración en banda armada (que non existe xudicialmente) persoas aínda inocentes?
Hai uns días, o xornal ABC publicou unha información (?) baixo o titulo Unha vasta rede de financiamento, avogados e adestramento blinda RG. Despois de tan rechamante título, o xornal deseñaba un organigrama de Resistencia Galega-Movemento de Liberación Nacional Galego no que aparecen mencionadas organizacións, colectivos e profesionais con actividade absolutamente legal, sinalando que estes colectivos desempeñarían diversas funcións dentro da "banda terrorista" Resistencia Galega. En primeiro termo, non existe resolución xudicial que declare a existencia dunha banda terrorista RG A tentación seria ignorar os delirios dunha prensa notoriamente escorada á ultradereita. Mais o contexto no que se publica a información, acabada de coñecer a acusación fiscal contra varios cidadáns galegos con elevadisimas peticións, máis o contido da mesma, chea de acusacións, obriga a pór o foco sobre algunhas moi preocupantes conclusións que decorren do artigo de ABC, dende unha perspectiva de respecto aos dereitos colectivos e individuais. A fonte da información concluíndo, parecen ser as forzas de seguridade ou/e fiscalía. É función destes órganos crear opinión ou investigar e perseguir delitos? En primeiro termo, non existe resolución xudicial que declare a existencia dunha banda terrorista RG. Por tanto, a información do xornal español non pode basearse en sentenzas xudiciais senón en informes policiais ou da Fiscalía desa anomalía xurisdicional chamada Audiencia Nacional. A fonte da información concluíndo, parecen ser as forzas de seguridade ou/e fiscalía. É función destes órganos crear opinión ou investigar e perseguir delitos? Aínda que as actuacións xa non sexan segredas para as partes, responde á concepción dunha fiscalía respectuosa da presunción de inocencia filtrar dados dunha investigación que sinala como culpábeis de integración en banda armada (que non existe xudicialmente) persoas aínda inocentes? Mais non só se mantén unha actitude escasamente respectuosa cos dereitos individuais dos procesados, nomeadamente da presunción de inocencia, senón que a información dispara contra un conxunto de colectivos aos que imputa unha cooperación criminal que supón unha extensión da presunción de participación en feitos criminais a innumerábeis cidadáns do noso país, pola súa mera participación nun colectivo: CEIVAR, AMI, CAUSA GALIZA, AMAL, grupos ecoloxistas, centrais sindicais nacionalistas, GALICOLA... cada unha coas súas funcións asignadas polo xornal: captación, financiamento, presos, transmisión de consignas. Como recentemente sinalaba un dos avogados dos procesados, cada vez estamos mais preto do todo é Resistencia Galega importando a Galiza o modelo aplicado en Euskal Herria, onde toda disidencia co modelo económico e politico actual acabou sendo considerada parte de ETA. A información dispara contra un conxunto de colectivos aos que imputa unha cooperación criminal que supón unha extensión da presunción de participación en feitos criminais a innumerábeis cidadáns do noso país De feito, a información e os seus inspiradores criminalizan sen recato un colectivo profesional polo mero exercicio dun dereito fundamental como é o dereito de defensa. Así, afirmase sen base fáctica algunha que avogados que asumen a defensa, "transmiten consignas", nunha tentativa de desmotivar o efectivo dereito de defensa pola ameaza da imputación penal. Son moitas as voces que levan denunciado o mantemento dunha situación de excepcionalidade penal no Reino de España. Dende Esculca, denunciamos os actos do Poder expresivos desta excepcionalidade punitiva: aplicación da detención incomunicada, dispersión penitenciaria de presos e presas de orixe ou vinculación galega , torturas na cadea, falta de garantías para evitar os malos tratos durante a detención.... Despois esas conclusións filtranse a un medio amigo que asume a papel de brazo mediático na creación dun inimigo Mais a perpetuación desta excepcionalidade penal require consenso social. E nun momento en que ese consenso falla, o Poder recorre ao subterfuxio de procurar restablecelo artificialmente. Para iso, dota as forzas de seguridade do carácter de peritos (unha medida procesualmente espuria, pois os membros destas forzas carecen do saber técnico o científico requirido para tal cualificación probatoria) e reviste os seus informes da presunción de infalibilidade científica. Esta é a orixe das alambicadas e artificiosas conclusións onde, sen datos concretos nin imputacións reais, colectivos, organizacións, profesionais e cidadá/ns aparecen como cooperadores dunha organización terrorista fantasmal. Despois esas conclusións filtranse a un medio amigo que asume a papel de brazo mediático na creación dun inimigo. Todo na procura do consenso social que xustifique a dureza penal para as persoas procesadas e o amedrentamento ao activismo social, do ecoloxismo a avogados e avogadas, pasando polos grupos de montaña ou os consumidores da Galicola. Causa Galiza, sinalada como "organización de masas" na quimérica estrutura que publica o ABC, xa anunciou a súa intención de exercer accións xudiciais contra a publicación. É de louvar a decisión pois o exercicio desas accións non só terá como efecto defender o bo nome da organización senón tamén desvelar a cercania de intereses entre medios de comunicación e Poder. E impedirá posibelmente que na próxima enxurrada con que o brazo mediático-xudicial pretenda confundir a opinión pública o obxectivo da descarga sexan medios de comunicación monolingües en galego como integrantes desa RG omnipresente. Non esquezamos á Egunkaria nin a Martxelo Otamendi.
NOS_44575
"Compartimos unha bebida e menos dunha media hora despois, tivemos un desmaio. A miña amiga tivo un accidente de coche e eu fun violada". Son as palabras dunha moza belga e son as mesmas dunha rapaza en Vigo, outra en Ourense e outra en Alacante. Xuntas, resoan en canles de resistencia nacidas á calor das redes sociais. Tirando dese fío violeta entro en contacto con algunha das denunciantes en Galicia. "É o que dixen en Instagram. Non lembro nada, pero á mañá seguinte sabía que algo pasara. Certa molestia na vaxina, cando te follan, sábelo".
Por suposto, o que lle fixeron a Ana (nome ficticio) no que comezaba como unha festa en Vigo non foi un acto sexual desexado e consentido, foi unha violación e hai que dicilo. O medo é unha constante na vida das mulleres, unha estratexia de disciplina sexual que nos inculcan dende nenas pondo o foco na responsabilidade das potenciais vítimas de protexerse do perigo machista, omnipresente. Moitas das denunciantes medraron coa abstracta advertencia de que tivesen coidado co que lles botaban no vaso. Hoxe resulta que efectivamente o vaso tiña perigo, pero non só. Á administración de drogas de forma involuntaria por vía oral súmanse os casos de inxeccións subcutáneas que están sendo investigadas no Reino Unido. Substancias tristemente famosas como a burundanga, e unha longa restra de produtos farmacolóxicos que por prudencia preferimos non nomear aquí, mestúranse con perigosas drogas de deseño e, tamén, coa subministración de alcohol etílico. Non son casos illados, segundo o Instituto Nacional de Toxicoloxía arredor do 17-20% de violacións poderían estar mediadas pola submisión química. De acordo con Pablo Antolín, Médico de Urxencias Hospitalarias no Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, ante o incremento dos casos na nosa contorna, vénse de asinar un protocolo para tratar de atallar a altísima complexidade diagnóstica deste tipo de agresións. Cando chegan a Urxencias, e sempre no caso de que cheguen, "as vítimas acostuman referir confusión tras o consumo dunha copa, períodos de amnesia, desinhibición, espertares en lugares e con persoas descoñecidas, resacas desproporcionadas, perdas de coñecemento, alucinacións, alteracións na fala, mareos, somnolencia excesiva ou confusión". El mesmo recoñece ter visto xa un par de casos en Ourense e a constancia doutros dous en Vigo. Porén, nin todos os servizos sanitarios teñen os protocolos activados, nin moitos menos todo o persoal conta coa formación en xénero e violencias machistas que sería necesaria. "Hai que aprender a beber, díxome o doutor que me atendeu en Vigo. Sentín vergoña, e culpa. A vergoña pasoume rápido, a culpa segue presente". A existencia e coñecemento dos protocolos, así como a formación específica son fundamentais. Tamén as leis, punto no que, grazas á enorme mobilización feminista recente, están a darse pasos importantes. "Submisión química" O proxecto de Lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual aprobado o pasado 6 de xullo no Consello de Ministros, introduce expresamente como forma de comisión da agresión sexual a denominada "submisión química" mediante o uso de substancias e psicofármacos que anulen a vontade da vítima. Aínda que gran parte do feminismo asevera que o punitivismo non é a solución, senón moitas veces o enmascaramento criminal dun problema social de profundas raíces, a cultura patriarcal na que nos movemos, o dereito penal ten un poder simbólico que convén utilizar. Máxime nun contexto como o noso, no que se denuncia unha violación cada oito horas, aumentar as garantías xurídicas das vítimas segue sendo necesario. Pero máis aínda avanzar en políticas públicas transformadoras das condicións sociais que posibilitan as múltiples violencias machistas. Educación sexual De acordo con Chis Oliveira, catedrática de Filosofía no Instituto Alexandre Bóveda de Vigo e doutora pola USC cunha tese centrada na educación afectivo-sexual na adolescencia, non se pode desvincular o problema das violacións da deficitaria educación sexual. "A día de hoxe, a educación sexual é practicamente inexistente, centrada na prevención de riscos e descansando sobre o voluntarismo das docentes que deciden facelo pasando de todo". Por iso é urxente ofrecer unha educación sexual baseada na empatía, no respecto á diversidade e nos dereitos humanos, que descanse no concepto do desexo e desenmascare a submisión que ensina a machista industria do porno mediante a normalización da cultura da violación. Malia todo, valora con cautela a proposta do Ministerio de introducir esta materia no ensino regrado. É positivo "pero hai que facelo con capacitación específica respecto diso". Que asegure a rigorosidade dos contidos e protexa esta materia de posíbeis intrusións conservadoras que en nada mellorarían a situación. "Imaxina que os profesores de Relixión se puxesen a impartir isto". E claro, a experiencia xa nos demostrou o incompatíbeis que son ás veces os camiños da fe e dos dereitos das mulleres. A estar vivas, a ser libres e a divertirse onde, como e cando queiran. Porque os bares, do mesmo modo que as rúas, tamén son nosos.
PRAZA_8485
O presidente da Xunta anuncia unha xuntanza co presidente mexicano mentres o naval galego clama para reclamar carga de traballo
Mentres en Galicia arrecia a treboada política a conto das polémicas fotografías de Alberto Núñez Feijóo e Marcial Dorado o presidente da Xunta pon rumbo á outra beira do Atlántico. Alberto Núñez Feijóo viaxa a México dende este xoves e durante unha semana nunha viaxe que, informa o Goberno galego, ten como obxectivo fundamental "seguir avanzando na internacionalización e nas relacións económicas entre Galicia e o país azteca". Como pano de fondo estará, ademais da crise política, outra non menos importante: a do sector naval, que agarda por novos pedidos mentres os seus niveis de ocupación se desangran. De México chegaron, precisamente, algunhas das últimas esperanzas do sector naval, en forma duns contratos con Pemex que agora aínda son incertos, ben sexa pola licitación internacional que, segundo manifesta a multinacional centroamericana, decidirá o proceso, ou pola consecución de avais que os estaleiros galegos precisan para poderlle facer fronte aos encargos. É de agardar que estas cuestións estean sobre a mesa da xuntanza que Feijóo, que viaxa acompañado polo conselleiro de Industria, Francisco Conde, vai manter co novo presidente mexicano, o priísta Enrique Peña Nieto. Feijóo reunirase con Peña Nieto mentres o naval galego clama para reclamar carga de traballo Segundo Feijóo México é "o país prioritario de toda Iberoamérica dende o punto de vista das nosas relacións económicas e das nosas relacións industriais". Neste sentido, asegura, "imos seguir centrando na economía a axenda exterior do Goberno e imos seguir apostando, de forma decidida, poa internacionalización da nosa economía". Como en anteriores viaxes a Xunta apenas ofrece detalles da axenda oficial do presidente, agás o devandito encontro con Peña Nieto. Mentres se desenvolven esas xuntanzas en Galicia o vicepresidente, Alfonso Rueda, quedará á fronte do "despacho dos asuntos" da Presidencia da Xunta. A viaxe de Feijóo a México chega apenas un mes despois de que as rúas de Ferrol se volvesen anegar de manifestantes reclamando carga de traballo para Navantia e reprochando tamén as "promesas incumpridas do PP" nesta materia. A petición de explicacións non só se cinguía aos contratos de Pemex, senón tamén á construción do dique flotante no estaleiro público, prometido polo propio Feijóo e tamén por Mariano Rajoy, aínda que desbotado por parte do Goberno central a través do propio presidente da compañía pública.
NOS_54481
Máis de 90 artistas escenificarán o domingo 27 no Auditorio de Galicia unha proposta multidisciplinar inspirada na obra 'Memorias dun neno labrego'.
A estrea de 'Balbino' será o 27 de decembro ás 20 horas no Auditorio de Galicia. Cantigas e Agarimos réndelle homenaxe con este espectáculo ao autor de Vila de Cruces, falecido xustamente un mes antes da data prevista para esta estrea. O baile e a música tradicional mestúranse con outras manifestacións culturais para situar os espectadores no escenario vital dun neno dunha aldea galega nos anos trinta ou corenta do pasado século XX. Como no libro de Neira Vilas, o pequeno Balbino anda á busca de cousas pequenas que lle procuren felicidade. A pesares da súa inxenuidade e simpleza, o protagonista chega á conclusión de que "algún día hai que arrepoñerse" a raíz da incomprensión de moitas das experiencias que lle toca vivir: un loito eterno que lle impide acudir ás festas da súa aldea, un mestre que non fala en galego na escola... Balbino é, por tanto, un espírito crítico, un inconformista que se rebela contra o que non considera natural. Con esta estrea, chega á súa fin a actual edición de 'Danza 3', un programa de difusión da música e a danza tradicionais, promovido pola Agadic, xunto con Cantigas e Agarimos, Xacarandaina e O Fiadeiro.
NOS_31036
O presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz dá o paso, afirma, ''como persoa individual''. Noriega aínda non se pronunciou, se ben o seu círculo máis cercano sinalaba que daría o paso. O prazo remate esta cuarta feira.
Todos os ollos postos en Martiño Noriega, dirixente de Anova, para ver cando anunciaría a súa candidatura a encabezar a lista de Compostela Aberta nas municipais de maio, e quen anunciou que se ía candidatar é Manolo Dios. Este compostelán do 1953, presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz, explica nun comunicado que dá o paso "como persoa individual", sen representar organización ou colectivo. Dios fala de tres grandes preocupacións: educación, activismo sindical e movementos sociais e pacifismo. Expresa o seu compromiso de, se resulta elixido, renunciar a todos os cargos de representación política, profesional e social, destacando que por eles non recibe documentación. A pregunta que segue no ar é a de saber se Martiño Noriega se presenta ou non. Nos últimos días diferentes voces da súa contorna política facían declaracións que permitían albiscar un Si por parte do aínda alcalde de Teo a candidatarse. Do 4 ao 11 marzo é o prazo de presentación e inscrición de candidaturas. O 12 marzo: reclamacións e corrección de erros. O 13 marzo: publicación de candidaturas. Do14 ao 19 marzo: campaña. O 20, 21, 22 marzo: prazo de votación telemática e presencial (telemática asistida). O 24 marzo será o reconto e resultados.
NOS_4280
O debate dunha proposición de lei do BNG para que o galego se convertese en "lingua vehicular no ensino" derivou nunha emenda á totalidade da política lingüística dos sucesivos gobernos de Núñez Feixoo. O seu partido, o PP, tumbou a iniciativa dos nacionalistas, que partía da reforma da Lei de Normalización Lingüística de 1983.
"É unha obriga dos poderes públicos galegos garantir o uso da lingua galega en todos os planos da vida pública", expuxo en defensa da proposta a deputada do Bloque Olalla Rodil, "e os datos contatan que lonxe de avanzar, unha parte cada vez maior das galegas e galegos sente unha gran presión para abandonar o uso do galego". Rodil apoiou a súa intervención en datos: a Real Academia Galega pronunciouse nese sentido e o Instituto Galego de Estatística (IGE) en 2013 sinalou que, por primeira vez desde a existencia de rexistros, a lingua inicial maioritaria é o castelán. "A inicios dos 90, o galego representaba a lingua inicial ou materna do 62% da poboación maior de 15 anos", dixo, "hoxe representa o 40%". Este é o contexto en que o Partido Popular levou adiante, sempre en solitario e con ampla oposición social e partidaria, políticas que provocaron o retroceso do galego na escola ou na función pública. Foi a primeira que algo así sucedía desde a restauración democrática. "Só o 8,5% das escolas infantís nas cidades imparten aulas maioritariamente en galego fronte ao 72% que o fan en todos os casos ou na súa maioría en castelán", engadiu a parlamentaria nacionalista. Contra as evidencias empíricas, o PP negou a maior. Para o deputado César Fernández, a oposición "repite esta mentira unha e outra vez para que sexa verdade e pinta unha sociedade galega que non cre ninguén". Non ofreceu probas que contradicisen as consideracións e as cifras da Academia ou do IGE. Así as cousas, a dereita votou en contra da proposición de lei do BNG que pretendía incluír na Lei de Normalización a garantía "dun terzo do horario lectivo semanal en galego no ensino infantil naqueles contextos en que a lingua predominante sexa o castelán e que esta porcentaxe vaia incrementando de maneira progresiva". Ademais, solicitaba "unha oferta estábel de cursos de formación en lingua galega para atender ás necesidades do alumnado e profesorado unievrsitario foráneo co obxectivo de garantir o dereito a recibir aulas en galego no ensino superior". En Marea e PSdeG si apoiaron a iniciativa do Bloque.
NOS_33492
Un debuxo de Netanyahu como can-guía dun cego Donald Trump xerou una forte polémica e críticas de antisemitismo. O xornal decidiu ceder e non publicará máis cadriños políticos na súa edición internacional.
The New York Times non publicará máis cadriños políticos na súa edición internacional. Unha autocensura decidida pola dirección do xornal após a polémica xerada por un cadriño de Moreira Antunes no que se representaba Netanyahu como un can-guía, coa cruz de david ao pescozo, guiando un Donald Trump cego. O que era unha crítica ácida á 'cegueira' da política de EUA a respecto de Palestina, deixándose levar por un extremista como Netanyahu, naufragou nunha polémica na que se acusou a caricaturista e xornal de antisemitas". The New York Times presentou as súas desculpas mais de pouco valeron. Así que o director da publicación, A.G. Sulzberger, decidiu abrir un proceso disciplinario contra o responsábel da edición que elixiu este cadriño Diferentes voces apuntan á presión do poderoso lobby israelita en Estados Unidos como o movemento decisivo para a decisión do NYT. Outras como o debuxante Patrick Chappatte denuncia como "nestes últimos anos algúns dos mellores debuxantes de prensa de Estados Unidos perderon o seu traballo porque os seus editores atopáronos demasiado críticos con Trump". Voilà le dessin d'António Moreira Antunes qui a amené le @nytimes à abandonner le dessin de presse. pic.twitter.com/lImcm2PpBb— Régis Gay (@gayregis) 10 de xuño de 2019
PRAZA_6741
Como a estes responsables políticos xa vemos que nin os cesan nin dimiten, sería bo, que nas eleccións, os cidadáns non nos esquezamos e non votemos a estas persoas nin os partidos que os manteñen.
A diferenza dos países avanzados, en España, pese a que se xestionen rematadamente mal moitos grandes accidentes ou crises sanitarias, practicamente non dimite nin se cesa a ningunha autoridade responsable. Vamos ver algúns exemplos: Crise das vacas tolas, no ano 2000, a responsable do ministerio de sanidade, Celia Villalobos, fixo unha mala xestión e o ridículo, -e famosa a súa frase "non botar ósos de vaca ao caldo"-, e nin dimitiu nin a cesaron e aí segue de vicepresidenta do Congreso. Na xestión do accidente do barco Prestige (ano 2002) houbo decisións políticas erróneas de todo tipo, e dirixentes como o actual presidente Mariano Rajoy ou o actual director da Garda Civil, Arsenio Fernández de Mesa dixeron, durante a crise, barbaridades como que o problema do fuel xa estaba solucionado e so quedaban uns pequenos "hilillos" que saian do casco somerxido, cando como se demostrou aínda había miles de Tm. no barco, ou hai que "mandar o barco o quinto pino" e aí seguen, mentres o capitán, para esta xustiza de pandereta, practicamente é o único culpable. No accidente do avión Yak-42 (2003) no que houbo 75 mortos, todo o mundo soubo que o avión utilizado era moi defectuoso e a xestión cos cadáveres foi rocambolesca, máis o máximo responsable desta xestión: Federico Trillo, Ministro de Defensa daquelas, segue de Embaixador en Londres. No 2006 no accidente do metro de Valencia faleceron 43 persoas, para a xustiza o culpable foi o maquinista que faleceu no accidente, mais responsables como Rita Barberá, Alcaldesa de Valencia segue no posto. Practicamente despois de que se producira o desastre na discoteca Madrid-Arena, (2012) no que faleceron cinco rapazas, e que foi causado por fallos de todo tipo, a alcaldesa Ana Botella marchou de vacacións a Lisboa, e aínda que houbo algúns ceses de cargos de segunda fila, ela mantense de alcaldesa. Tampouco ninguén dimitiu polo accidente ferroviario en Angrois (Santiago, 2013), no que faleceron 78 persoas e a culpa quéreselle atribuír so o maquinista, cando todo o mundo ve, que precisamente nesa curva era onde se precisaba unha medida de seguridade moderna, como a que teñen o resto das vías de alta seguridade, e que evitaría un accidente no caso de que o maquinista, por exemplo, se marease ou sufrira un infarto. E xa para rematar, como non dimiten dunha vez, a Ministra de Sanidade e o Conselleiro de Sanidade de Madrid?, despois da mala xestión da primeira e as burradas que dixo o segundo, sobre todo votándolle a culpa a auxiliar de enfermería, práctica que como vemos é unha constante. Como a estes responsables políticos xa vemos que nin os cesan nin dimiten, sería bo, que nas eleccións, os cidadáns non nos esquezamos e non votemos a estas persoas nin os partidos que os manteñen.
PRAZA_1455
Anuncia medidas para evitar desafiuzamentos e unha nova conxelación das taxas universitarias, que se unen a accións para limitar os efectos do copagamento de medicamentos ou para o acceso a libros de texto. As forzas da oposición cualifican de "insuficientes" as medidas e critican que só cheguen "trala desfeita electoral"
"A Xunta pechará acordos coas entidades de crédito para paralizar os desaloxos por execucións hipotecarias e dedicar vivendas baleiras a alugueiros sociais". "A conxelación, un ano máis, das taxas universitarias permitirá ás familias un aforro duns 20 millóns de euros". "O Goberno galego ampliará a exención do copago de medicamentos a 100.000 persoas máis"... Na última semana, vinte días despois dos moi negativos resultados obtidos nas eleccións municipais do 24M, a catro ou cinco meses dunhas eleccións xerais que se prevén decisivas, e despois de dous anos e medio de lexislatura en Galicia, a Xunta aprobou ou anunciou unha serie de medidas en materia social. Unha batería iniciada a pasada semana co denominado Plan social contra a desigualdade económica, un documento de boas intencións que busca "unificar esforzos e recursos" pero con escasas novidades sobre as políticas xa coñecidas. Os anuncios chegan vinte días despois dos moi negativos resultados obtidos nas eleccións municipais do 24M Hai dous días chegaba esa proposta de "ampliación da exención do pago de medicamentos", que viría paliar un chisco o copagamento aprobado polo Executivo central, tamén do Partido Popular. Unha medida que se viña a sumar a outra promesa -realizada dúas semanas antes- dun novo sistema de axudas de libros de texto, e que tamén significaba unha clara rectificación na política aplicada anteriormente polo PP. Este xoves o Consello da Xunta aprobaba dúas novas medidas de carácter social: por unha banda, a conxelación das taxas universitarias, destacando Alberto Núñez Feijoo que "Galicia segue sendo a comunidade española coas taxas máis baixas" e que "Queremos que en Galicia ninguén quede fóra da universidade por un problema económico". Pola outra, o Goberno galego avanzou a aprobación dun convenio de colaboración "que se asinará cos bancos para que as familias galegas non queden sen casa por motivos económicos". Núñez Feijóo defendeu que, en base a este convenio, nos casos de desaloxos por execución hipotecaria que afecten a familias cunha renda inferior a ata 4 veces o IPREM, a entidade comprométese a dar traslado inmediato á Administración autonómica e a non facelo efectivo ata que se chegue a unha solución. Trátase dun "procedemento co que quedaría pechado o risco de que unha familia poida quedar sen vivenda por razóns económicas sobrevidas", asegurou. A Xunta tamén quere que "as vivendas baleiras que cedan os bancos destinaranse a afectados por desafiuzamentos por falta de pagamento do alugueiro e a outros colectivos con dificultades". "É a desfeita electoral a que provoca este movemento" Este súbito xiro social que o Goberno galego semella estar dando nas últimas semanas xa foi sinalado, entre a sorpresa e a crítica por algunhas forzas da oposición e sindicatos. "É a desfeita electoral do Partido Popular en Galiza nas pasadas municipais a que provoca este movemento da Xunta", afirmou esta mañá o deputado de AGE Antón Sánchez. Un movemento "que amosa, ademais, que Feijóo admite a inexistencia de políticas contra os despexos despois de sete anos de crise", engadiu. Para Sánchez, que o presidente do Goberno galego "afirme hoxe que vai realizar un censo de vivendas baleiras unicamente demostra o propio desleixo". "Como é posíbel que logo de todo este tempo de crise non existise tan sequera a base para unha política de vivenda real?", pregúntase. Antón Sánchez (AGE): "Alegrámonos que, aínda que os motivos sexan espurios, o Goberno de Feijóo acabe por asumir medidas que as plataformas sociais veñen reclamando dende hai anos" "Alegrámonos que, aínda que os motivos sexan espurios, o Goberno de Feijóo acabe por asumir medidas que as plataformas sociais e iniciativas de AGE veñen reclamando dende hai anos", dixo. En calquera caso, para Sánchez, os anuncios realizados polo presidente do Goberno galego "non son máis que declaracións". "De termos en conta os antecedentes de Feijóo, o máis probábel é que todos estes anuncios queden en nada. Nós estaremos vixiantes e atentos para denuncialo", dixo. De igual xeito para Pilar García Porto, responsable en funcións de Economía, Recadación e Facenda na Deputación de Lugo, "os recortes e as nulas políticas sociais da Xunta provocaron que as familias galegas se atopen nunha situación insostible. O único que fixo o Goberno de Feijóo foi recortar, ano tras ano, as partidas para Sanidade, Educación e servizos sociais. Isto obrigou ás familias galegas a reducir os seus gastos en necesidades básicas como comida, roupa e transporte nun 20%. Pilar García Porto (PSdeG-PSOE): "O único que fixo o Goberno de Feijóo foi recortar, ano tras ano, as partidas para Sanidade, Educación e servizos sociais" "Vai sendo hora de que a Xunta poña fin á tesoirada social e faga verdadeiras políticas sociais" -engadiu- "Os parches que anuncia agora, só co único fin de tentar arranxar o desastre electoral e non así os problemas dos cidadáns, como o fondo solidario de libros de texto ou o a exención do copago sanitario a 100.000 persoas, son totalmente insuficientes. Hai milleiros de galegos que deixaron de retirar as súas menciñas por non poder pagalar; milleiros de persoas que se ven na obriga de elixir entre comprar medicamentos ou produtos básicos para o día a día". Para María Xosé Abuín (CIG), o copagamento "está a empeorar a calidade de vida das e dos cidadáns por impedir o acceso ás medicacións prescritas polo persoal facultativo" Pola súa banda, a CIG denunciou este martes a anunciada exención parcial do copago farmacéutico, cualificándoa de "insuficiente" e lembrando que a medida aprobada polo PP en 2012 "está a empeorar a calidade de vida das e dos cidadáns por impedir o acceso ás medicacións prescritas polo persoal facultativo". A secretaria nacional de CIG-Saúde, Mª Xosé Abuín, sinalou "en non poucos casos acaban recorrendo aos servizos de urxencias coas súas patoloxías agravadas por non poder medicarse e ao final é neses servizos onde reciben a medicación correspondente".
QUEPASA_71
O Dumbría Benxamín, o cuarto campión das Ligas F8. O Ponteceso Alevín e os dous equipos de Outes, os primeiros campións das Ligas de F8.
O ano que vén será máis doado seguir as competicións de F8, que este ano, por mor da falta de consenso entre clubs, están sendo algo deslabazadas. 3 grupos por categoría, disputados en diferentes épocas do curso, grupos polo título, grupos pola copa… coas miras postas nunha fase final da Copa que si será unha boa festa do fútbol base costeiro. Unha cita que se celebrará o sábado 11 de maio nas Redondas, despois de confirmarse a petición do cadro cabanés de albergar o evento. Agora, tralo remate dos grupos 3 e 4 (que deixou 4 campións), disputaranse diferentes fases. Por un lado disputaráse a Fase polo título Alevín e Benxamín entre os dous primeiros clasificados de cada grupo. O resto competirán na fase de clasificación para a copa. Na Fase final competirán os 4 primeiros da Liga Benxamín, mentres que en Alevíns e Benxamíns, os 8 equipos que pasan á fase final son: Dous primeiros do Gr.3 (Ponteceso e Dumbría en Alevíns; e Dumbría e Xallas en Benxamíns). Dous primeiros do Gr.4. (Outes e Xallas B en Alevíns; e Outes e Esteirana en Benxamíns). O primeiro do Gr.5 (a liga acaba o 5 de maio). Os primeiros dos tres grupos da Liguillla copeira (os grupos rematan o 5 de maio). Fase Final polo Título A fase final polo título, cuxo calendario coñeceremos a vindeira semana, comeza o 17 de marzo, e terá 6 xornadas ata o 28 de abril. En Alevíns competirán: Ponteceso, Outes, Dumbría, Xallas B. En Benxamíns competirán: Dumbría, Xallas, Outes e Esteirana. O campión de cada categoría (ademais do Campión da liga regular Prebenxamín) representá ao Fútbol da Costa na Fase Final Galega. Fase de Clasificación para a Copa A liguilla comeza o 17 de marzo e terá 3 grupos por categoría de 4 xogadores, dos que se meterá na fase final o 1º de cada grupo. Os grupos, formados por proximidade, son: Alevíns:Grupo A: Xallas A, Cabana, Coristanco, Sofán.Grupo B: Dumbría B, Cee, Fisterra.Grupo C: Esteirana A, Os Miúdos A, Os Miúdos B, e Outes B. Benxamíns:Grupo A: Cerqueda, Coristanco, Sofán A, Sofán B;Grupo B: Razo, Camariñas, Cee;Grupo C: Os Miúdos A, Os Miúdos B; Carnota e Outes B. Novas do F8 O Dumbría Benxamín, o cuarto campión das Ligas F8. O Ponteceso Alevín e os dous equipos de Outes, os primeiros campións das Ligas de F8.
PRAZA_20024
Esta semana estreouse en Pontevedra o documental Paraíso Roubado, un filme dirixido por Lukas Santiago e producido pola APDR, que recolle a memoria da zona de Lourizán e a loita da veciñanza contra a instalación da industria pasteira e os seus efectos.
Esta semana estreouse en Pontevedra o documental Paraíso Roubado, un filme dirixido por Lukas Santiago e producido pola APDR (Asociación pola Defensa da Ría) coa colaboración do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, o Museo de Pontevedra e a Cartoteca Provincial Domingo Fontán. O obxectivo do documental é botar a vista atrás e amosar como era a zona de Lourizán -na que a mediados do século XX se comezaron a instalar industrias altamente contaminantes, como ENCE ou Elnosa-, así como a loita veciñal contra a instalación da pasteira. "É un percorrido pola riqueza natural, paisaxística e económica desta parroquia pontevedresa, que veu perder o seu futuro coa chegada do desarrollismo franquista e a instalación da Celulosa. Pero tamén é un exercicio de memoria histórica, un recoñecemento á loita das mariscadoras que se enfrontaron á represión armada na defensa do banco marisqueiro e o pan dos seus fillos, unha loita que non pode caer no esquecemento", destacan os seus responsables. Paraíso roubado céntrase na época previa a instalación da celulosa e recupera o esplendor da parroquia no tempo no que Montero Ríos tiña fixada alí a súa residencia de verán así como outros persoeiros da época, tanto galegos como de fóra de Galicia. Destaca igualmente a actividade económica ligada á Casa de Baños de Os Praceres, o aluguer estacional de casas como fonte de recursos extra para a veciñanza, ou a propia actividade ligada ao marisqueo e á pesca. Para Antón Masa, presidente da APDR, o documental é "un exercicio de memoria histórica". "É importante que a xente non esqueza como era a zona antes da chegada da celulosa", di. "O documental quere ser tamén un recoñecemento á loita das mariscadoras que se enfrontaron á represión armada na defensa do banco marisqueiro e o pan dos seus fillos" De igual xeito, a APDR destaca o protagonismo que o filme lles da ás veciñas e veciños da parroquia: "o documental quere ser tamén un recoñecemento á loita das mariscadoras que se enfrontaron á represión armada na defensa do banco marisqueiro e o pan dos seus fillos, unha loita que non pode caer no esquecemento, que ten que permanecer na memoria das xentes que aspiran a ver a Ría libre da condena que supuxo a instalación da fábrica de pasta de papel", destaca. "É a historia de calquera veciño ou veciña nacida nunha familia de mariscadores de Lourizán, e que lle contaron como era a parroquia cando era o paraíso de Montero Ríos ata a súa destrución na época franquista" Na presentación do filme, o seu director -Lukas Santiago- afirmou que o documental "é a historia de calquera veciño ou veciña nacida nunha familia de mariscadores de Lourizán, e que lle contaron como era a parroquia cando era o paraíso de Montero Ríos ata a súa destrución na época franquista". Explicou, ademais, que el recuperou a historia de primeira man de seu avó, e que na cinta inclúe tanto testemuñas de persoas maiores da parroquia como intervencións de investigadores e historiadores. Ao igual que Antón Masa, Lukas Santiago fixo especial fincapé na figura da muller, asegurando que "o papel das mariscadoras foi fundamental na loita contra a instalación da celulosa, sobre todo en febreiro de 1959, cando 500 mariscadoras de Lourizán e Campelo fixeron fronte ao exército franquista, acabando moitas delas no hospital militar, e 14 no cárcere militar".
NOS_43059
Lanzaranse publicamente o vindeiro 21 de abril en Froxán. Organizaranse local e comarcalmente e defínense como unha iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade dos montes do país.
A eucaliptización de Galiza é un problema grave. Unha opinión que xa non é exclusiva de ecoloxistas e ambientalistas ou determinados sectores da sociedade galega. Até todo un comité científico do Ministerio de Medio Ambiente vén de recoñecer que esta especie debe de incluirse no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras (RD 630/2013) e ser erradicadas. Perante este problema "chegou a hora de dicer "basta" e botarse ao monte para tomalo e transformalo". Eis a opinión das Brigadas Deseucaliptizadoras, unha iniciativa que será lanzada públicamente o vindeiro 21 de abril en Froxán. Que son estas Brigadas? Defínense a elas propias na súa web como "una iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización de Galiza". Impulsadas desde Verdegaia, están abertas a que se sumen outras persoas e coletivos. "Mobilizar, organizar e coordinar" "Teñen como obxectivo mobilizar, organizar e coordenar persoas de todo o País con vontade de realizar accións de voluntariado ambiental en colaboración coas titulares de terreos con valores ambientais degradados ou ameazados pola eucaliptización e outras especies exóticas invasoras", indican. As Brigadas organízanse de xeito comarcal ou local, sumando grupos de persoas voluntarias baixo unha estratexia, metodoloxía e coordenación común. Cada intervención no territorio é rexistrada nun visor xeográfico que permite o seu seguemento público e cuantificación a longo prazo do impacto do proxecto. As brigadas actuarán naquelas parcelas que se incorporen ao proxecto. " De xeito previo a cada intervención, as titulares dos terreos forestais deben chegar a un acordo con Verdegaia ou con outras entidades participantes que garanta que os traballos a desenvolver teñan continuidade no tempo e que as árbores autóctonas plantadas se manteñan durante o período mínimo estabelecido".
NOS_38008
Máis un número do semanario tirado do prelo. Entrevistamos o cónsul de Venezula en Vigo, Martín Pacheco, e o escritor e editor Antón Lopo. Falamos da dobre condena que sofren as persoas presas con discapacidade, analizamos a situación política de Ferrol cara ás municipais e contamos a desidia oficial que enzoufa as rías galegas. Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.
Máis de 300 reclusas e reclusos con discapacidade física, psíquica, intelectual e sensorial conviven co resto de persoas internas nos cárceres galegos. 'Presas con discapacidade: duplo cativerio'. Aínda que sen a forza doutras datas, no calendario da cultura popular galega o Día da Candeloria ocupa un lugar preeminente, como proba o feito de ser protagonista de múltiples refráns que perviven na actualidade. "Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar"; ou "Pola Candeloira casan os paxariños e maila galiñola". 'Día da Candeloria, o acervo apropiado polo cristianismo'. 'A proposta de lei educativa, un infortunio para un ensino de noso'. Unha ollada ás mudanzas propostas polo Goberno central para modificar a LOMCE. Máis unha entrega da análise sobre a situación política nas cidades e as perspectivas electorais de cara ao mes de maio. Neste caso, poñemos o foco en Ferrol, cidade onde nunca recuncou un alcalde. Todo apunta a que historia voltará a repetirse, pois as posibilidades de que o actual rexedor, Jorge Suárez (Ferrol en Común) repita no cargo son remotas debido ás feblezas do seu Goberno e á división do que se deu en chamar confluencia. 'Ferrol, a cidade da oportunidade única'. 'A desidia oficial enzoufa as rías galegas' A reapertura da petición sobre as rías galegas no Parlamento Europeo volve poñer de manifesto a realidade: a desidia das administracións ao respecto é persistente. Aínda que o proxecto de orzamentos do Estado de Pedro Sánchez consigna oito millóns de euros para iniciar o dragado da ría do Burgo –a máis afectada pola polución–, activistas e políticas da oposición lembran os reiterados incumprimentos de anteriores gobernos centrais. É a voz da revolución bolivariana no noso país. Antigo director de Comunicación de Hugo Chávez, Martín Pacheco, cónsul de Venezuela en Vigo, ten claro que a saída ao conflito político que vive o seu país é a que apoian actores internacionais como México e Uruguai. Aposta, pois, nun diálogo aberto coa oposición, mais desde o respeito á soberanía nacional, nas antípodas do intervencionismo de Washington e Bruxelas. "Todo o mundo ten que entender que estamos perante un golpe de estado, un golpe continuado que xa vén desde 2002". O Govern regula o sector do transporte urbano privado contra os intereses das multinacionais Uber e Cabify. 'Os taxistas pactan con Puigdemont'. Entrevistamos Patricia Mariño, a avogada da CIG que se ocupou do caso da empregada de Termocalor acosada polo xerente á volta dunha baixa por maternidade, cando o Supremo vén de confirmar a sanción de 20.000 euros á empresa viguesa. "A conciliación é unha falacia". En xuño de 2020 Meirama deixará de funcionar como central térmica de carbón. O persoal pide que isto non sexa a fin deste enclave industrial na zona de Ordes e Cerceda e defende a viabilidade do complexo de facérense os investimentos precisos. "Outra cousa sería un paso importante para esta comarca", sosteñen desde o comité de empresa. 'Outra Meirama é posíbel'. 'Extraordinario' (Galaxia, 2018) é unha historia de emancipación. De opresión e liberdade. De identidades sufocadas e ningún medo a voar. O relato en primeira persoa da construción dunha vida non dominada. A novela que lle valeu a Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961) o premio Narrativa Breve Repsol tamén se pode ler, explica o autor, "como un longo poema en prosa". Falamos co escritor e editor: "O pensamento e a escrita e a arte son sobre todo un exercicio de sentido do humor". 'Os irmandiños bercianos' Pescudamos na revolta irmandiña nos territorios estremeiros do Bierzo da man de Xabier Lago Mestre, licenciado en Historia Moderna pola Universidade de Salamanca, que vén de participar no ciclo de conferencias "Economia, História e Realidade Social" organizada pola Asociación Cultural O Facho da Coruña. Non faltan as achegas e colaboración de Xoán Costa, David Otero, Marga do Val, Nachortas, Tokio, Xulio Carballo, Pepe Barro, Colectivo Xea, Mario Regueira, Montse Pena, Andrés Castro. AFondo: Amor. Sexo. Soidade O amor que avanza, o amor decepcionado, as novas e vellas formas do machismo, as condicións de amor, a pornografía como iniciación, as leis do desexo, as soidades... Tres voces da psicanálise lacaniana en Galiza axúdannos a entender mellor algúns dos desacougos que nos producen o amor e o sexo no mundo actual.
PRAZA_10570
A compra do Pazo para a xefatura de Estado, ratificada coa escritura achada na Coruña e que impulsa a demanda contra os Franco, foi impulsada por elites afíns ao réxime como Barrié de la Maza, que favoreceu a adquisición doutros bens agora en mans dos herdeiros do ditador
A demanda que o Estado acaba de presentar contra a familia Franco para esixirlle a recuperación do Pazo de Meirás volve deitar luz sobre as artimañas, manobras e presións que o réxime fascista e os seus homes de prol en Galicia levaron a cabo para un espolio que ten nas Torres o seu principal símbolo. Barrié de la Maza é un dos impulsores da Junta Pro Pazo para a adquisición de Meirás e figura clave entre as elites franquistas que colaboraron no "macroespolio" dos FrancoO documento clave achado pola Avogacía do Estado no Arquivo Histórico de Protocolos da Coruña demostraría a existencia de dous contratos para a adquisición do Pazo, o último deles "fraudulento" e simulado en 1941 para encubrir a doazón e compra que a Junta Pro Pazo del Caudillo fixera xa tres anos antes para a xefatura do Estado. O obxectivo dos Franco era evitar que o inmoble se integrase no Patrimonio Nacional tras a lei aprobada en 1940 que regulaba a cesión destes bens ao público. E lograr, como así fixo, que as Torres pasasen á súa propiedade particular malia que en 1938, como demostra a escritura agora atopada, se pagasen máis de 400.000 pesetas aos herdeiros de Emilia Pardo Bazán tras unha recolleita entre ameazas, coaccións ou deducións de nóminas de funcionarios e de orzamentos municipais. Unha figura é esencial en ambos documentos: Pedro Barrié de la Maza, conde de Fenosa, antigo dono do Banco Pastor, máximo dirixente da extinta Fenosa ou de Astano e un dos principais financeiros do bando fascista na guerra civil. A súa sinatura, representando a Franco, aparece no contrato de compravenda simulado de maio de 1941 onde, segundo os avogados do Estado, se creou "artificiosamente a aparencia" de que o ditador adquiría o Pazo por un prezo de 85.000 pesetas. Tres anos antes, o Pazo xa fora mercado á familia de Pardo Bazán por esa Junta Provincial Pro Pazo, impulsada en 1937 polo gobernador civil da Coruña, Julio Muñoz, e polo propio Barrié de la Maza. Nela, adiñeirados persoeiros ou destacados militantes fascistas como Rivero de Aguilar, José María Marchessi, José Luis Bugallal, Joaquín Barcia Goyanes, José Casteleiro, Jacobo López Rúa ou os alcaldes franquistas Alfonso Molina e Álvarez de Sotomayor. Este último, o quinto rexedor designado en plena guerra tras o asasinato de Suárez Ferrín, viaxara a Donostia para acordar alí a venda de Meirás. Así o recoñecía un tenente coronel do exército fascista nun informe reservado no que aludía á "rapidez" coa que se levaran a cabo as negociacións para evitar que se lles "adiantasen" outras provincias coa "mesma idea", tal e como recolle o informe histórico-xurídico que encargou a Deputación da Coruña. Barrié era dono do Banco Pastor, que naquela altura procuraba executar o aval dun crédito da campaña do Estatuto do 36 asinado por galeguistas xa asasinadosSuperáronse as 400.000 pesetas tras unha campaña que o franquismo defendeu como de doazón para un agasallo pero que diversos documentos revelan como coaccións, ameazas, espolio de terras ou conxunto de patrullas encabezadas pola Falange. A propia Junta Pro Pazo dirixíase aos concellos para indicar como "visitar persoalmente" a cada veciño. Nunha época de dura represión, con mortos nas cunetas, milleiros de asasinados e a guerra aínda por rematar. Foi, xa que logo, esa Junta Pro Pazo quen impulsou a recollida de cartos, encabezada por Barrié, dono do Pastor, a entidade que neses mesmos anos procuraba executar o aval dun crédito da campaña do Estatuto de 1936, asinado por dirixentes galeguistas asasinados. Os golpistas detectaron "importantes sumas" dedicadas "ao desmembramento da patria" e tentaron sacalas dos bancos."Galicia que le vio nacer, que oyó su voz el 18 de julio, que le ofreció la sangre de sus hijos y el tesoro de sus entrañas [...] asocia para siempre el nombre de Franco a su solar, en tierras del Señor San Yago, como una gloria más que añadir a su Historia". Era así como certificaba nun documento a Junta Pro-Pazo a doazón ao xeneral fascista do Pazo de Meirás. En marzo de 1938, o Concello da Coruña daba conta da "adquisición" do inmoble "para ofrecerlo como residencia veraniega a nuestro invicto Generalísimo y Glorioso Caudillo" e o gobernador civil envía un telegrama ao ministro Serrano Suñer para comunicarlle, "en nombre de esta ciudad y provincia", que as Torres viñan de ser "adquiridas por el pueblo coruñés para donarlo a nuestro Caudillo S. E. Jefe del Estado". Un pergamiño, telegramas, referencias en prensa e unha viaxe do propio Franco certificaban a adquisición do Pazo para o ditador que agora ratifica o documento achado pola Avogacía do EstadoEn decembro de 1938, o ditador Franco estampaba a súa sinatura no documento da Junta. "Acepto". Viaxaba expresamente a Galicia a recoller aquel presente, unha visita que quedou retratada nas imaxes e os rostros da colección de fotografías que dixitalizou non hai moito a Biblioteca Nacional de España. Solemnizábase así a incautación do Pazo, que quedou plasmada nunhas fotos que ilustran o percorrido do ditador pola Coruña, Santiago, Sobrado dos Monxes e Meirás e que advirten dunha sociedade fervorosa nalgún caso, pero tamén atemorizada, afectada polas penurias da guerra e con olladas desacougantes. Malia constar un pergamiño coa propia sinatura de Franco aceptando a doazón e as declaracións, comunicacións e textos analizados daquel 1938 nos que se documenta a doazón, nunca aparecera a escritura que certificase a compra, ese que a Avogacía do Estado atopou hai unhas semanas na Coruña. Mesmo o ditador recibiu nun solemne acto en Compostela o devandito pergamiño, un ano despois daquela visita, en decembro de 1939. "Acepto gustoso y exclusivamente por ser un obsequio de mis queridos paisanos", dicía respecto do agasallo. Non era tal.Nin foi o único espolio. O ditador aumentou en 80.000 metros cadrados as súas propiedades fóra do Pazo en Meirás e mercou terreos en Sada ou Oleiros. Outros pazos históricos foron desmantelados tamén pola familia Franco, que é propietaria aínda das figuras de Abraham e Isaac do Pórtico da Gloria. Foi, como di o investigador Carlos Babío, un "macroespolio"."Era unha trama de favores, de favores mutuos a conta do erario público; lucráronse a aínda se lucran as elites" En todas estas operacións durante a ditadura, os Franco valíanse da axuda das elites franquistas da Coruña e arredores. "Era unha trama de favores, de favores mutuos a conta do erario público; lucráronse a aínda se lucran as elites", di Babío. E entre os protagonistas sempre presentes, Barrié de la Maza, que axudaba a que o ditador cumprise cos seus caprichos, como a Casa Cornide, na zona vella da cidade da Coruña. Foi adquirida polo banqueiro nunha poxa en 1962 á que só asistiran el e o xefe do Movemento e pagando menos de 45.000 pesetas. Logo, acabou en mans do xeneral fascista grazas á intervención do conde de Fenosa. As consecuencias da cadea de favores, corruptelas e espolios do público teñen consecuencia en polémicas actuais, como o da relación entre os terreos da Solana e o Hotel Finisterre na Coruña, fonte de conflitos entre o Concello e a Autoridade Portuaria.Armando Casteleiro Varela foi o impulsor da construción do complexo da Solana na que era a antiga praia do Parrote. Recibe a autorización das administracións en 1941 e abre as súas portas pouco máis dun ano despois. O empresario e nadador é irmán de José Casteleiro Varela, membro da Junta Pro Pazo. Ambos os dous, recoñecidos militantes fascistas na represión.Logo, Casteleiro decidiu construír un hotel e formou unha sociedade na que entrou o empresario Aurelio Ruenes, o arquitecto Santiago Rey Pedreira e a división industrial do Banco Pastor, que tiña á fronte, outra vez, a Pedro Barrié de la Maza, designado procurador en Cortes por Franco desde 1946, e que acabaría por ser accionaista maioritario da sociedade que xestionaba o hotel e a Solana.
NOS_31733
O PP caeu 11 puntos nese concello a respecto das eleccións de hai 4 anos.
A apertura dun expediente disciplinario ao xefe de Xinecología do Hospital de Verín, Javier Castrillo, unha das caras visiíbeis que defenderon a continuidade do paritorio,estivo presente no pleno de hoxe do Parlamento da Galiza. O portavoz do PSdeG principiou a súa intervención pedindo a Núñez Feixoo,que "rectifique" a apertura dun expediente disciplinario a Castrillo por uns feitos que se remontan a hai un ano, cando o xinecólogo manifestou a súa oposición á postura dunha pediatra que defendía trasladar a un bebé recentemente nado do comarcal de Verín a Ourense. "Un ano despois, vostedes mostran a peor cara do PP, a das represalias e as purgas. Rectifique. Faga un monumento aos defensores da sanidade pública e non tente purgar un xinecólogo que é unha bandeira desta loita", instou o dirixente socialista, a quen Feixoo acusou de "intoxicar". "Intoxicaron de forma continuada e constante sobre a sanidade de Verín, e ségueno facendo", acusou Feixoo, antes de se gabar dos seus resultados electorais na comarca nas últimas eleccións autonómicas. "Un 48,5% de verineses pensaron que o PP merecía gobernar e só o 21,5%, que debían gobernar vostedes", remarcou. Nestes mesmos comicios, nos que Feixoo revalidou a súa maioría absoluta na Galiza por cuarta vez, o PP experimentou un descenso de apoios en relación ao ano 2016 no concello de Verín, onde tivo un 41% dos apoios nas últimas autonómicas fronte ao 52% de catro anos atrás.
PRAZA_15577
O colectivo anticípase ao acordo entre AUDASA e o Ministerio de Fomento para rebaixar o prezo para un grupo de usuarios e advirte que ese desconto "o pagaremos o resto dos galegos" mediante impostos ou mediante o encarecemento do resto da AP9.
A ministra de Fomento, Ana Pastor, tramitará con responsables de AUDASA un convenio para introducir a rebaixa da peaxe entre Pontevedra e Vigo a través dunha bonificación. Descoñécese aínda a contía exacta desta rebaixa, pero a Plataforma contra a suba das peaxes xa se anticipou a advertir que esta rebaixa "o acabaremos aboando o resto dos galegos, ben vía impostos, ben vía subas noutros tramos". Lembra que a gratuidade do Fene-Ferrol levou aparellada a extensión da concesión da AP9 até o ano 2048. Ademais, esixe que esta rebaixa se estenda a outros treitos e a outros grupos de condutores, pois afirman que esta bonificacións só se aplicará a vehiculos lixeiros e non a transportistas. Reclama en concreto que o desconto se aplique tamén aos milleiros de vehículos que circulan a diario entre Ferrol e A Coruña, "pois, se se trata de favorecer as cidades máis castigadas pola crise, en Ferrol temos quizáis o exemplo máis cru de toda Galicia, un núcleo urbano xa desmantelado e, con esta última crise, a piques de desaparecer do mapa económico da nosa comunidade". Finalmente, denuncia que a Xunta e o Goberno central financien unha empresa que "está tendo beneficios" cando son moitas as empresas que cada día acumulan perdas, e mesmo quebran, tendo que botar á rúa os seus traballadores, e que non reciben axudas públicas. Mobilización o 28 de decembro A Plataforma convoca unha nova xornada de boicot á AP9 o 28 de decembro, na que pide que se utilicen vías alternativas A Plataforma convoca unha nova xornada de boicot á AP9 o 28 de decembro, na que pide que se utilicen vías alternativas. Ademais, convócase a todos os usuarios e usuarias a levar no seu coche un monigote propio do Día dos Inocentes en protesta pola "inocentada" dos "prezos abusivos". E repiten que continuarán con estas e outras protestas até que os prezos se rebaixen ou que cando menos se apliquen en Galicia os mesmos descontos que as empresas concesionarias das autoestradas ofrecen noutras comunidades autónomas para os usuarios frecuentes.
NOS_17199
A coalición liderada por Irmáns de Italia sitúase no 45% dos votos.
Desde o axustizamento do ditador Benito Mussolini en 1945, a extrema dereita chegou a ocupar algún cargo de Goberno en Italia por medio da Liga de Matteo Salvini, como no gabinete de Silvio Berlusconi ou Giuseppe Conte, tras ser quen de alcanzar 17% de voto nas eleccións xerais de 2018. Porén, nesta ocasión, todas as enquisas coinciden en que as forzas neofascistas non só se imporán nos comicios do 25 de setembro, senón que liderarán a coalición gobernamental cunha posíbel maioría absoluta da man de Giorgia Meloni, candidata de Irmáns de Italia. Após a ruptura do Executivo de concentración de Mario Draghi por mor da negativa do Movemento 5 Estrelas (M5E) a aprobar un plan para a recuperación económica, que levou á convocatoria electoral pola dimisión de Draghi, Meloni chegou a un acordo con Salvini e con Berlusconi (Forza Italia) para integrarse na denominada coalición de centro dereita, na que a forza que reciba un maior número de votos encabezará o futuro gabinete. A media das enquisas sitúan a agrupación na órbita do 45% dos sufraxios, localizándose perto da maioría absoluta na Cámara de Deputados e no Senado. A meirande parte deste apoio provén de Meloni (24%), seguida de Salvini (13%) e Berlusconi (8%), convertido no representante da única forza da coalición conservadora que non é de extrema dereita. Por parte da coalición de centro esquerda, que agrupa o Partido Democrático (22%) de Enrico Letta, a Europa Verde/Esquerda italiana (3,5%) e a pequenas formacións como Máis Europa (2%) e Compromiso Cívico (1%), unha alianza electoral na que está integrado o ministro de Asuntos Exteriores Luigi Di Maio despois de romper co M5E hai poucos meses. Os traballos demoscópicos colocan a coalición aproximadamente no 30% de intención de voto. O M5E, a forza máis votada en 2018, ficaría arredor do 11%, e Acción/Italia Viva, onde se enmarca o ex primeiro ministro Matteo Renzi tras negarse a chegar a un acordo con Letta, obtería 7%. Primeira muller que chegaría ao cargo A pesar de que hai catro anos Irmáns de Italia apenas superou 4% das papeletas, ao longo deste período foi medrando entre mensaxes de Meloni contra a comunidade Lgtbi+, a "ideoloxía de xénero", a "inmigración ilegal", ou a favor da imposición do cristianismo no país, con declaracións como "si á universalidade da cruz, non á violencia islámica". Amais, relativizou en múltiples ocasións a figura de Mussolini, chegando a soster nunha entrevista que "teño unha relación pacífica co fascismo". Os saúdos fascistas espállanse nos seus actos e o logo mesmo da formación evoca un dos símbolos do ditador, a bandeira italiana nun lume. Entre as propostas de Meloni, que se convertería na primeira muller en acadar a Presidencia do Consello de Ministros (primeira ministra), está a creación de corpos policiais cidadáns e vixilancia por medio de cámaras nas cidades, impulsar a enerxía nuclear ou unha taxa fixa de impostos sobre as ganancias do ano anterior. Tamén defende unha reforma do sistema electoral do país que permita a elección directa do presidente da República, que agora é elixido polo lexislativo, virando cara a un réxime presidencialista. O mandato de Mattarella remata no ano 2029 O actual presidente italiano, Sergio Mattarella, foi reelixido para un segundo período de sete anos en febreiro. De xeito semellante ao acontecido co ex presidente Giorgio Napolitano en 2013, Mattarella non quería recuncar, mais a inestabilidade da situación política e a falta dun sucesor de consenso obrigárono a estender o seu período. Unha das principais misións do presidente transalpino é manter o equilibrio entre os poderes públicos.
NOS_2551
O Partido Popular enfrontou a convocatoria electoral deste domingo cunha das campañas máis duras. Promesas revisitadas, afastamento de Rajoy, sancións da Xunta Electoral e mesmo motivos para a mofa deixaron patente o nerviosismo dos populares. A seguir debullamos a campaña do PP e as súas principais claves.
Ante promesas incumpridas, repetición de promesas. Ese só é un dos retrousos sobre os que pivotou a campaña electoral do PP, na que salientou o distanciamento que o candidato Feijóo procurou respecto Mariano Rajoy, para evitaren que o rexeitamento social contra os recortes ditados desde o Goberno central teña o seu correlato electoral. O PP puxo en marcha, máis que nunca, a súa enorme maquinaria partidaria cara a este domingo decisivo onde todas as opcións están abertas, mesmo a da súa saída do Goberno galego coa perda da maioría absoluta. Feijóo tentou esquivar facer balanzo, reiterándose nalgunhas das promesas que xa fixera en 2009 Feijóo tentou esquivar facer balanzo, reiterándose nalgunhas das promesas que xa fixera en 2009 malia ter liderado o Goberno galego durante os últimos tres anos e medio. A respecto da súa xestión de Goberno, o popular insistiu en presentar o "control do déficit" como o seu primeiro logo, facendo uso del como demostración da "solvencia" da nosa comunidade. Porén, os datos do Consello de Contas, avalados por un ex conselleiro de Manuel Fraga, viñan a informar de que o control "exemplar" do déficit non fora exactamente tal. Nun informe asinado por Xosé Antonio Orza, sinálase que Xunta desprazou de xeito irregular 411 millóns de euros para facer cadrar os números en 2010, traspasando facturas por ese importe ao exercicio seguinte. Feijóo defendeuse asegurando que o referido informe era só un borrador, mais o certo é que o mesmo xa está aprobado e unicamente fica á espera de alegacións. Non sería o único "axuste" contábel que permitiu a Feijóo salvar os límites de déficit fixados por Madrid. En 2009, segundo recolleu o diario El País, volvería haber un traspaso de gasto, neste caso de 80 millóns de euros do Sergas que pasaron de 2009 a 2010. Así o recolleu tamén o Consello de Contas nun informe que non recibiu alegacións do executivo galego. Diversas fontes apuntan que no exercicio de 2011 a ocultación de números sería aínda maior. Súmase ademais o feito de que a débeda pública galega se teña triplicado durante o mandato que remata, igualando a xerada pola suma de todos os gobernos autonómicos anteriores, e malia os graves recortes realizados en partidas de gasto como a sanitaria ou a educativa. Estes datos refutarían o retrato económico que Núñez Feijóo presentou reiteradamente. Entre as promesas revisitadas destaca a que se refire ás listas de agarda sanitaria, un dos principais cabalos de batalla da anterior campaña electoral en 2005 As masivas protestas contra dos retallamentos na sanidade pública deixaban pouco espazo para o discurso de Feijóo. Porén, o candidato popular intentou esquivar as críticas contrapoñendo datos dos centros de saúde e hospitais construídos durante a lexislatura, ou en vías de facelo, inda que obviando a fórmula público-privada para o seu financiamento e xestión. Fórmula que foi rexeitada tanto pola oposición como pola cidadanía que protagonizou grandes procesos mobilizadores, como por exemplo en Vigo contra o proxecto de novo Hospital da cidade. Pouca sensibilidade demostrou Feijóo ao negar en directo, durante o debate televisado co candidato do BNG –Francisco Jorquera, a información que se refería ao sufrimento dun paciente do Sergas que leva desde maio agardando por atención ao seu cancro, que finalmente resultou totalmente confirmada. Entre as promesas revisitadas destaca a que se refire ás listas de agarda sanitaria, un dos principais cabalos de batalla da anterior campaña electoral en 2005, coa proposta dunha lei de prazos de espera que garanta un máximo para de espera. Precisamente, o aumento nos últimos anos dos tempos de espera sanitaria foi unha das críticas verquidas desde a oposición e organizacións sanitarias. Feijóo xogou tamén coas estatística para tentar presentar como menos malos uns datosde desemprego pésimos O desemprego estivo no centro da campaña. Certamente a cifra record de persoas desempregadas obrigou a Feijóo a enfrontala directamente asumindo. Así o demostrou nos dous debates nos que participou no que tentou amortigüar o efecto das críticas citando, anticipadamente, a cifra exacta de paradas e parados en Galiza. Feijóo xogou tamén coas estatística para tentar presentar como menos malos uns datos pésimos. Así se extrae da súa teimosía en comparar os datos non coa lexislatura anterior senón coas medias Estatais, por ser esta unha comparativa máis favorábel. Asemade, o Presidente cesante botou man das cifras de paro rexistrado en lugar das da EPA, malia ser este último o indicador de referencia como lle lembrou Francisco Jorquera no debate. Porén o balanzo obxectivo que arroxan as cifras ofrece ben pouca marxe para disimulos. Desde que goberno Feijóo en Galiza hai 135.000 ocupad@s menos, 115.000 parad@s máis e 90.000 afiliad@s á Seguridade Social. Tamén en emprego outra das páxinas negativas da acción de Goberno de Feijóo foi a dos numerosos Expedientes de Regulación de Emprego que facilitaron a destrución ou precarización de preto de cinco mil de postos de traballo. Aliás, foi moi criticada a inoperancia do executivo galego para facer fronte á crise que padecen os sectores produtivos galegos, como puxo de relevo a situación de Alcoa ou o sector naval. Para Alcoa a resposta do PP en campaña foi a visita do ministro de Industria, José Manuel Soria, que se achegou á factoría con promesas inconcretas e sen garantías. Días despois, Feijóo desde un mitin anunciaba que se mantería a tarifa eléctrica reducida, requisito indispensábel para a permanencia da empresa no noso país. Os contratos de Pemex suscitaron a principal controversia política A situación do naval foi outro dos puntos fortes da campaña. A foto de Feijóo no acto de sinatura de contratos coa empresa petroleira Pemex, acto reprobado pola Xunta Electoral por vulnerar a LOREX. Os contratos de Pemex suscitaron a principal controversia política. Mentres Feijóo asegurou que os contratos, que se negou reiteradamente a mostrar publicamente, recollen o compromiso seguro de que se fabricarán dous floteis nas gradas dos estaleiros galegos, tanto BNG como PSdeG cargaban contra ese anuncio cualificándoo de propaganda electoral e mesmo chegando a cuestionar a existencia deses contratos. Desconfiados tamén se amosaron os representantes sindicais de Navantia en Ferrol e Barreras en Vigo quen denunciaron descoñecer os termos dos acordos. A polémica sobre a construción naval galega, sector no que se destruíron preto de dez mil postos de traballo, mesmo acabou poñendo nervioso a Feijóo quen en Ferrol, molesto pola protesta de centos de traballadores, retrucou as consignas que sinalaban a responsabilidade do seu goberno afirmando que "se Navantia quere construír barcos o que ten que facer é mover o cú". Castelao Bragaña non foi nin tan sequera expedientado polo Partido Popular A frustrada reforma da Lei electoral coa que o Partido Popular se propuña reducir a composición do Parlamento galego, antes da convocatoria electoral, apenas estivo presente no decorrer da campaña. O propio Feijóo non puxo demasiado énfase na mesma, malia a incorporar no seu programa electoral a medida coa que tentarían dificultar as posibilidades dunha maioría alternativa ao PP. Outro dos asuntos evitados foi a privatización e bancarización das caixas galegas fusionadas, proceso no que as responsabilidades son partilladas entre PSOE e PP a nivel Estatal. Con todo, a fuxida máis significada, polo balbordo xerado, foi a que ten a ver co exdeputado do PPdeG, Castelao Bragaña, quen malia ter afirmado que "as leis son como as mulleres, están para ser violadas" non foi nin tan sequera expedientado polo Partido Popular no que continúa como afiliado de pleno dereito. O propósito de esconxurar o que se deu en denominar "efecto Feijoi" foi o leitmotiv da campaña. O PPdeG fixo todo o posíbel para evitar que se relacione ao seu candidato coas políticas de recortes desenvolvidas polo partido desde o Goberno central. Feijóo chegou mesmo a realizar declaracións renegando das políticas de Madrid, durante unha campaña na que foi rechamante o esforzo por disimular até o extremo as siglas e no que o candidato galego e o líder estatal do PP apenas compartiron escenario en dous actos, un ao principio e ao remate de campaña. Polo medio, deuse o paradoxo de que Rajoy viñese en varias ocasións a Galiza a facer campaña por Feijóo, mais sen Feijóo. Foi unha campaña especialmente dura que no caso do PP estivo marcada polos reiterados incumprimentos, até nove, da normativa electoral O contrapunto a esa estratexia, que semella limitaron unicamente a Rajoy, foron as participacións en campaña nestas semanas de persoeiros do PP como Alberto Ruíz Gallardón (o ministro antiabortista e da cadea perpetua), Dolores de Cospedal ou Esperanza Aguirre. A subordinación ás directrices de Génova xa quedaran en evidencia cun adianto electoral que se ditou para tentar asegurar a vitoria do PP antes dun eventual segundo rescate. A que remata foi unha campaña especialmente dura. No caso do PP estivo ademais marcada polos reiterados incumprimentos, até nove, da normativa electoral, o que motivou otras tantas resolucións da Xunta Electoral na súa contra. Malia a seriedade da cuestión, os populares restáronlle toda importancia. Visitas oficiais ou actos protocolarios do goberno galego cunha intención claramente electoralista foron denunciados polas autoridades por "vulnerar a normativa" da campaña. Candidat@s do PP e á vez conselleir@s foron vistos en visitas a escolas, centros de igualdade, universidades ou fundacións. Aliás, por motivos semellantes a Xunta tivo que retirar informacións da súa páxina web e campañas de publicidade institucionais, logo de seren retirada algunha. Coalicións ao gusto Feijóo dedicou moitos dos seus esforzos en demonizar os gobernos de coalición apelando a evitar confluencias de varias forzas políticas, afirmando que esa fórmula xera inseguridade. Porén, a fórmula dos acordos de coalición tamén ten sido empregada polo propio PP. Os pactos en Nafarroa e Canarias, ou o intento de acordo co Foro por Asturias de Álvarez Cascos e UPyD para gobernar Asturias nun tripartito, son os exemplos máis recentes, sen facer mención a outros numerosos acordos, xa no ámbito local, con forzas "independentes". "Veña Galicia!" e pescadas asasinas Mais na campaña popular tamén houbo tempo para o humor. O líder do PP en Galiza deu anécdota máis divertida ao referirse durante un encontro con representantes do sector pesqueiro a unhas supostas palabras dun mariñeiro segundo as cales "hai tanta pescada que un día van entrar na praia a morderlle á xente". A frase foi rapidamente recollida nas redes sociais, que coa axilidade que as caracteriza axiña comezaron a chancear sobre o dito ou tamén a compoñer parodias con películas como Piraña ou a famosa Jaws de Spielberg. Días antes, o PP fixo pública a canción de campaña que lle compuxo o grupo ferrolán Los Limones, cunha letra que se pretendía seria pero acabou sendo paródica e na que se escoitan cousas como "Veña Galicia, celta, Patricia, Galicia Beneficia" ou "Veña Galicia dos cabaleiros, as galegas primeiro". Pero non é a primeira vez que o PP galego se presta á mofa. Na campaña de 2009, Feijóo tamén foi pasto de humoristas ao preguntar: "Porque todas as vacas teñen nome de muller?".
NOS_54869
O programa conta con dúas mesas de debate, ofrecerá gráficos e datos en directo, as reaccións nas redes e a análise dos directores de Sermos Galiza, Praza Pública e Galicia Confidencial.
Unha aposta televisiva diferente, en chave galega, para seguir o decorrer das as eleccións europeas. A equipa de Irmandade TV prepara un especial para este domingo, que encetará sobre as 19.50h, e que se poderá seguir en directo desde a portada de Sermos Galiza. "Non podemos competir coas grandes cadeas en medios tecnolóxicos mais si en contido", afirma o director da canle dixital, Aurélio Lopes. A emisión comezará cunha primeira mesa de debate onde participarán referentes das diferentes formacións políticas. "Debatiremos sobre as súas propostas e analizaremos as primeiras enquisas a pé de urna", adianta Lopes. Na mesa estarán Ana Pontón, polo BNG; Antón Sánchez, por AGE; Rafael Cuíña, por CxG e Aitor Bouza polo PsdeG. O programa especial incluirá reaccións nas redes sociais, gráficos e datos, así como a análise dos directores de Sermos Galiza, Praza Pública e Galicia Confidencial Irmandade TV contará con conexións en directo coas sedes dos catro partidos. Ademais, o programa especial incluirá reaccións nas redes sociais, gráficos e datos, así como a análise dos directores de Sermos Galiza, Praza Pública e Galicia Confidencial. "É a nosa aposta máis potente, somos máis equipo cá nunca e todo está probado e garantido", asegura o director. Sobre as 21.30h dará comezo a segunda mesa de debate, que se extenderá até o anuncio dos resultados definitivos. Estes chegarán case de golpe a partires das 23h. Conversarán Antón Baamonde, Mar Vila e Miguel Anxo Abraira sobre o papel da Galiza na Unión Europea e o devir das eleccións.
NOS_31913
As cifras son claras. Mentres Portugal suma 10,2 millóns de habitantes e 714 mortes por coronavirus, o que representa un índice letalidade de 7 persoas por cada 100.000, Galiza con algo menos de 2,7 millóns de cidadáns e cidadás, alcanza 460 mortes e un índice de letalidade de 17 persoas por cada 100.000.
Mentres na Galiza se confirmaban as dúas primeiras mortes por coronavirus e veciñas e veciños de diferentes localidades costeiras galegas denunciaban a presenza masiva no país de cidadáns doutras partes do Estado, maioritariamente madrileños que chegaban ás súas segundas residencias no país, fuxindo da epidemia na capital do Estado, o presidente portugués, António Costa, declaraba o sábado 16 de marzo o estado de alerta e fechaba os 1.200 quilómetros de fronteira co Estado español. A decisión non tardaba en ser criticada por diversas autoridades de localidades fronteirizas do sur e do centro español. O temor á expansión da pandemia polo efecto español levou o Goberno portugués a actuar coa máxima urxencia. A primeira e segunda semana de marzo produciuse unha importante mobilización da sociedade portuguesa demandando o feche das fronteiras co Estado español, petición á que se sumaron un número importantes de alcaldes, como o de Porto, Rui Moreira, preocupados polo éxodo masivo de españois cara ás zonas turísticas. O Goberno portugués non dubidou en fechar os núcleos máis afectados polo coronavirus nos momentos iniciais da pandemia Nesta liña, os días anteriores ao feche da fronteira, as autoridades da nación veciña xa estabeleceron limitacións ao tráfico de turismos na fronteira de Estremadura, lugar de acceso habitual para os madrileños. O 15 de marzo, horas antes da aprobación das medidas de excepción, vivíronse neste punto diversas situacións de tensión a consecuencia do interese de cidadanía española con residencia en Lisboa de pasar a Portugal. A negativa a fechar Madrid A negativa a fechar Madrid foi unha das causas da expansión do coronavirus na Galiza e no conxunto do Estado. A diferenza do acontecido naquelas nacións que combateron con máis eficacia a pandemia, comezando pola China coa cidade de Wuhan, o Goberno español negouse a confinar Madrid, argumentando que "o coronavirus non sabe de fronteiras". Pola súa banda, a decisión do Executivo italiano de confinar as áreas de Lombardía e do Venetto reduciu o impacto do coronavirus no conxunto do Estado, como demostran os datos de contaxios no sur e no centro do país, con cifras por baixo das 452 persoas por 1.000.000 de habitantes. O temor á expansión da pandemia polo efecto español levou o Goberno portugués a actuar coa máxima urxencia Portugal é un exemplo de éxito na loita contra o coronavirus. A data de onte suma 714 mortes, cun índice de letalidade de 7 persoas por cada 100.000 habitantes e 20.206 contaxiadas. Rexistra unha maior incidencia no norte do país, con 409 persoas falecidas e 12.148 contaxiadas. O epicentro é a cidade de Porto, principal núcleo económico do país. A un nivel inferior atópase a rexión centro, a área situada entre a zona norte e Lisboa, con 164 mortes e 2.963 doentes; seguida da rexión de Lisboa, con 126 mortes e 4.500 enfermas; distrito de Faro, con 10 mortes e 310 doentes e das Azores, con 5 mortes e 106 contaxiadas. O arquipélago de Madeira e a rexión do Alentexo non suman ningún falecemento. Portugal, exemplo de éxito O desigual comportamento da pandemia no interior de Portugal é obxecto de diversas explicacións. O subdirector da Escola Nacional de Saúde Pública de Portugal, João Abrantes, en declaracións á BBC, puña de manifesto que as causas desta diferenza son de natureza económica, destacando que Porto é unha zona máis industrial e Lisboa de carácter máis turístico. Por outra banda, a zona do norte é a área do país con maior conexión co Estado español, até o punto de que a fronteira galega concentra 49% do tránsito total con Portugal, salientando tamén o alto nivel de contaxios en moitas localidades da zona, entre elas Braga, cun significado nivel de persoas afectadas por coronavirus. A resposta das autoridades da nación veciña fronte á epidemia presenta importantes diferenzas coa do Goberno español. A prensa internacional e diversos analistas expuxeron que Portugal comezou a adoptar as primeiras medidas de confinamento e de restrición de mobilidade da súa poboación cando a doenza aínda estaba moi pouco desenvolvida. Así, por exemplo, o feche dos centros de ensino produciuse cando non se tiña declarada ningunha morte oficial por coronavirus, decretándose o estado de alarma con só 331 persoas contaxiadas. Porén, o Estado español agardou a tomar esa decisión cando se sumaban 335 mortes. A prensa internacional e diversos analistas expuxeron que Portugal comezou a adoptar as primeiras medidas de confinamento e de restrición de mobilidade da súa poboación cando a doenza aínda estaba moi pouco desenvolvida O Goberno portugués non dubidou en fechar aqueles núcleos de poboación máis afectados polo coronavirus nos momentos iniciais da pandemia. Así, por exemplo, o sábado 7 de marzo aprobaba confinar as localidades miñotas de Lousada e Felgueiras, onde se concentraban 19 dos 31 positivos confirmados naquela altura no país veciño. A decisión non só afectou aos perto de 20.000 residentes destes dous concellos, senón que impediu calquera contacto físico co resto do país de arredor de 100.000 persoas da comunidade intramunicipal de Támega e Sousa. Naquela altura, o Executivo de António Costa anunciaba, tamén, a súa disposición a fechar novas zonas se o alcance da pandemia o requiría. Portugal destacou no control da mobilidade interna. Na perspectiva de impedir o desprazamento ás segundas residencias e outras prácticas asociadas ao turismo, prohibiu as viaxes fóra do concello da vivenda habitual nos días non laborábeis e durante as vacacións de Pascua, decisión que contrastou co acontecido no Estado español durante esas datas. Precisamente, ao longo deses días as estradas de saída de Madrid volveron vivir importantes atascos en dirección ás localidades costeiras.
NOS_17835
Virxinia Rodríguez, presidenta de ADEGA, considera necesario que Galiza conte nas Cortes Xerais con partidos propios que defendan o noso territorio e o noso país.
A presidenta da Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza, Virxinia Rodríguez, considera fundamental para Galiza contar a partir do 28A con partidos propios que defendan o noso territorio e o noso país. "Galiza xógase ter representación no Estado español", afirma Virxinia, polo que "é moi importante ter presenza nas Cortes Xerais con partidos galegos" que ademais, engade, "defendan o noso territorio e noso país". En defensa do medio, salienta como o máis urxente a defender nos primeiros días da nova lexislatura a caducidade da concesión de Ence na Ría de Pontevedra. Galiza xógase ter representación no Estado español A activista ecoloxista bota en falta un debate en clave de país "e non tan estatal". "A nivel galego deberiamos ter un debate de país" considera, "onde as forzas galegas poidan defender os seus programas e pór de manifesto que van facer ao chegar ao Congreso". Virxinia Rodríguez advirte de que a campaña "está moi polarizada" e que se apela constantemente "ao voto útil". Isto, di, "fai que os partidos das nacións teñan máis dificultade". E esas formacións, salienta, "son as que máis van defender os nosos dereitos".
NOS_57537
Nos arredores de 1976 publicáronse varias obras decisivas para a poesía galega contemporánea. Con pólvora e magnolias, Seraogna, Herba aquí e acolá, Mesteres ou E direi-vos eu do mister das cobras reconfiguraron o campo do posíbel e despexaron horizontes. Ese é o ano que a Asociación de Escritores en Lingua Galega escolleu para delimitar o congreso en que máis de 30 autoras e autores reflexionarán sobre o estado do xénero. O Congreso vaise realizar esta fin de semana -sexta feira e sábado- no Pazo da cultura de Pontevedra.
"A data de 1976 é significativa, polo novo contexto político e pola mudanza vencellada ao novo escenario", considera a profesora Chus Nogueira (A Estrada, 1968), que se encarga de coordinar o debate sobre a crítica. A irrupción do inédito non foi só estética. Os estudos literarios e a lingua entraron no ensino. A situación mudaba a velocidade elevada. A poesía foise desentendendo de obrigas anteriores e, canda a normalización da autonomía política, normalízáronse usos e maneiras que recibiron diferentes etiquetas: venecianismo, esteticismo, poesía dos 80. Porén, Nós tamén navegar -así se denomina o encontro de dous días que empeza na tarde desta sexta feira en Pontevedra- ofrecerá outras vías de achegamento aos feitos poéticos dos últimos 40 anos. "O elemento máis enriquecedor, que máis ampliou o panorama, que abriu ventás, mesmo cunha intención de provocar, foi a poesía escrita por mulleres", sostén a poeta Marta Dacosta (Vigo, 1966). Responsábel da mesa que abrirá o congreso, sinala que, ademais, as escritoras tiñan vontade "de mudar o rumbo da poesía galega". Seis libros editados entre 1991 e 1992 axudan a Dacosta a argumentar a súa tese: Urania, de Chus Pato, Música reservada, de Luísa Villalta, Metáfora da metáfora, de María Xosé Queizán, Tempo de ría, de Xohana Torres, Tras as portas do rostro, de Marica Campo e Prometo a flor de loto, de Luz Pozo. "Nesa época racharon tamén as barreiras xeracionais e asumimos que non podemos escribir se non o facemos desde o que somos, mulleres e galegas", engade, e cita a hispanista experta en lingua galega Kathleen March (Nova York, 1949): "No tempo actual non hai outra opción ca ler como muller, ca escribir como muller". A poesía feminina, e feminista en non poucos casos, definiu a xeración dos 90 e a ollada crítica sobre a mesma. A achega de novos repertorios, adoito centrados nunha visión á fin liberada do corpo e o sexo, o que Dacosta denomina "o abandono do decoro", o emprego de rexistros lingüísticos antes non explorados, "enriqueceron a poesía galega". Que foi acompañada, entende Chus Nogueira, dun potente aparello crítico. "Se cadra, agárdase algo semellante para a poesía que están a escribir os máis novos. Pero non está sucedendo, e paréceme un erro procurar un réplica do que pasou nos 90", di. Pero se hai un elemento común ás seis palestras de Nos tamén navegar é a cada vez maior dificultade para estabelecer un relato ríxido e único da historia da poesía galega recente. Carlos Negro (Lalín, 1970) dirixe o debate sobre "innovación poética" e "trans-xénero". A súa intención é pescudar nas fronteiras, nas marxes, nas zonas de sombra, "cando o libro non é o centro da poesía e a palabra é un pouco transxénica". E comprobar que a escolla destas modalidades polas poetas é, tamén, unha certa tradición entre 1976 e 2016. Do Antón Reixa que facturaba vídeos como Ringo Rango (1992) á Xela Arias que ensaiaba nos cruzamentos entre fotografía e verso ou á Chus Pato que "rompe os xéneros desde o núcleo mesmo do poema", a hibridación e o experimento non é convidada de última hora. En paralelo á talvez máis canónica poesía de alta conciencia culturalista, houbo esoutras liñas. "Interésame que falemos de como a poesía galega busca o transfronteirizo", sinala Negro. A videocreación de Celia Parra, Fran Alonso e as súas probas na Rede, Antía Otero a procurar espazos comúns entre poema e música, ou as experiencias co grafismo de Baldo Ramos e Xosé María Álvarez Cáccamo son os exemplos en curso que pon. Pasaron máis cousas na poesía destas catro décadas agora revisitada desde o que parece a fase crepuscular do réxime político derivado do posfranquismo. A tradución aumentou o seu peso e o corpus de obras da literatura mundial en galego é elevado, afirma Ramiro Torres (A Coruña, 1973). "O problema é a publicación", anota Torres, que modera a discusión sobre o particular, "e a ausencia dunha política cultural pública, dunha estratexia de país para traducir e que traduzan a nosa poesía fóra". Con todo, "o voluntarismo de persoas á marxe das institucións" posibilitou algúns fitos, entre os que salienta o Fausto de Goethe en versión de Lois Tobío, A terra baldía de T. S. Eliot por Armando Requeixo e María Fé González, e a Divina Comedia de Dante segundo Darío Xohán Cabana. Máis alá de 2016 Dúas antoloxías, No seu despregar (2016) e 13. Antoloxía da poesía galega próxima (2017) organizaron a percepción xeral de que unha nova camada de poetas petaban ás portas da literatura galega. Aínda que ningún dos escritores e escritoras escolmados participan en Nós tamén navegar -o que provocou algunha polémica nas redes sociais-, o seu eco rebotará nos debates (que, amais dos citados, abranxerán tamén as relacións entre ensino e poesía e "outras formas de comunicación do poético). "Resúltame complicado atopar un nexo común entre eles", explica Carlos Negro, "pero si noto desconfianza na linguaxe, certo escepticismo e a pegada de Chus Pato. De feito, creo que a poesía galega do século XXI empeza con Chus Pato". Aínda que é a paisaxe devastada da gran crise e a precariedade vital como a súa consecuencia máis directa o que, se cadra, comparten autoras tan diversas como Ismael Ramos, Lara Dopazo Ruibal, Antón Blanco, Berta Dávila ou Tamara Andrés.
NOS_12004
A Xunta impulsará acordos para establecer criterios e mecanismos de denuncia e retirada de contidos de violencia dixital.
O Parlamento da Galiza deu esta terza feira un importante paso adiante na loita contra a violencia machista e, en concreto, incorporou a violencia dixital como unha forma de ciberdelincuencia que afecta especialmente as mulleres. Este concepto adapta a lei aprobada en 2007 ao contexto tecnolóxico actual, unha reforma que partiu dunha proposición lexislativa impulsada pola deputada do PPdeG Paula Prado e contou coa unanimidade da Cámara, que culminou cun aplauso a aprobación do texto. "Isto non deberiamos ter que poñelo nunha lei", afirmou, con rotundidade, Paula Prado, en referencia ás gravacións da Maruxaina e á referencia que agora se incorpora para condenar e considerar violencia machista este tipo de actuacións. De feito, os tres grupos -PPdeG, BNG e PSdeG- coincidiron na necesidade de incorporalo e, a través dunha emenda presentada polo BNG, a reforma lexislativa incorpora unha mención expresa e implícita sobre este caso. "A violencia de xénero dixital engloba todas estas condutas de violencia de xénero que se exercen a través das novas tecnoloxías, das redes sociais ou da internet, pero tamén a gravación e difusión de imaxes tomadas sen consentimento, sexa no ámbito público ou no privado, que supoñan unha humillación ou vexación das mulleres, así como a distribución na rede de imaxes ou datos comprometidos de contido sexual", recolle a lei aprobada con 71 votos tras un debate no que estivo ausente o Goberno galego -a conselleira de Emprego e Igualdade, que comparecía a continuación, chegou cando xa soaba o timbre da votación (fontes do seu gabinete aseguraron a Europa Press que tiña un compromiso a esa hora)-. Tampouco estivo presente a actual secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, que tiña un acto programado ás 10 horas en Lugo e que foi voz protagonista por parte do PPdeG, con todo, na aprobación da lei de 2007 durante o Goberno bipartito, a que esta terza feira incorpora esta reforma. A aprobación deste texto lexislativo deixou, ademais, outra petición unánime da Cámara galega: que o Goberno estatl alexisle para que se incorpore ao ámbito penal. "Cónstame que se está traballando nesta cuestión", dixo a deputada do PSdeG Noa Díaz, quen, como Paula Prado e a nacionalista Olalla Rodil, mostrouse partidaria dunha reforma da lei estatal. A reforma lexislativa aprobada polo Parlamento tamén considera violencia de xénero dixital a "usurpación da identidade da vítima ou a creación de perfís falsos para desprestixiar á vítima", así como a "creación de perfís falsos para desprestixiar á vítima, dar de alta o correo electrónico da vítima en sitios web para estigmatizarla ou ridiculizarla, acceder dixitalmente ao computador para controlar as súas comunicacións con terceiros, control do dispositivo móbil e as súas comunicacións", entre outros, como forma de violencia sen "ter contacto" físico. Galiza pasa a recoñecer como violencia machista o ciberbullying, sextorsión, grooming', usurpación de identidade, chaves ou contrasinais; sexting, ou pornovinganza, actividades que están a aumentar entre a mocidade. Na súa intervención, a deputada do BNG Olalla Rodil remarcou que se "necesita urxentemente a reforma da lexislación española". "Mal que nos pese", dixo, Galiza non ten competencias para esixir a retirada das imaxes, pero si o Executivo estatal "se se reformase" a lexislación estatal na mesma liña que a galega. Rodil advertiu de que o marco estatal vai "moi atrasado" con respecto á violencia contra as mulleres, que "vai moito máis alá das relacións de parella". "Van moi tarde e fannos atrasar ás demais, mal que nos pese. Os dereitos das mulleres son dereitos humanos", salientou. En liña coas peticións de cambios do marco estatal, a reforma lexislativa aprobada inclúe, a través dunha emenda do PSOE, que o Goberno galego "impulsará coas principais plataformas intermediarias da internet acordos de colaboración co fin de establecer criterios e mecanismos áxiles e urxentes de denuncia e retirada de contidos relacionados coa violencia de xénero dixital". Galiza pasa a recoñecer como violencia machista o ciberbullying, sextorsión; grooming, usurpación de identidade, chaves ou contrasinais; sexting, ou pornovinganza, actividades que están a aumentar entre a mocidade. Ademais, a violencia dixital recoñecerá non só a que se realiza a través dos medios tecnolóxicos, senón aqueles actos que fosen cometidos, instigados ou agravados "recoñecendo como medio para cometer o delito a utilización de servizos de xeolocalización". A lei aprobada recolle que, nas campañas que se realicen contra a violencia machista, dedicarase "atención específica á sensibilización e á formación da poboación xuvenil na prevención e identificación de actitudes que constitúen actos de violencia de xénero, con especial incidencia na violencia dixital".
PRAZA_10979
En San Sebastián a película competirá na sección 'Perlas' xunto a algúns dos títulos máis importantes da tempada. O 11 de outubro chegará ás salas comerciais, pero antes poderá verse en Compostela o 1 de outubro, no marco de Curtocircuito, nunha sesión especial que terá lugar no Teatro Principal
No Festival de Cine de Donostia a película competirá na sección 'Perlas' xunto a algúns dos títulos máis importantes da tempadaFalta menos dun mes para que O que arde se poida ver nas salas de cine comerciais de toda España. A terceira longametraxe de Óliver Laxe estrearase o vindeiro 11 de outubro. Antes pasará aínda por dous festivais, o de Donostia, que comeza este venres, e o Curtocircuito compostelán.No Festival de Cine de San Sebastián a película competirá na sección 'Perlas' xunto a algúns dos títulos máis importantes da tempada. O que arde terá cinco pases, os días 23, 24 (por duplicado), 25 e 26 e en Donosti Óliver Laxe estará acompañado do equipo ao completo da produción, comezando polos protagonistas do filme, Amador Arias e Benedicta Sánchez.O que arde proxectarase o 1 de outubro no Teatro Principal de Compostela nunha sesión especial O que arde gañou o Premio do Xurado no Festival de Cannes - Un Certain Regard e foi seleccionado en máis de 40 festivais de gran prestixio internacional, entre eles os de Nova York e Toronto, que veñen de celebrarse. A película, producida por Miramemira, Tarantula , 4 a 4 Productions e Kowalski Films, está distribuída no Estado español por NUMAX Distribución.Calcúlase que en España serán unha trintena de cines os que a proxecten, sempre en versión orixinal. En Compostela poderá verse un chisco antes, no marco do festival Curtocircuito, que se celebrará en Santiago do 28 de setembro ao 6 de outubro. O que arde proxectarase o 1 de outubro no Teatro Principal nunha sesión especial que contará coa presenza do realizador e de Amador Arias e Benedicta Sánchez, os protagonistas do filme.
NOS_53656
A CIG iniciou no polígono de Costa Vella en Compostela unha campaña de mobilizacións para denunciar a precariedade e as prácticas lesivas que empregan as Empresas de Traballo Temporal (ETT) que xestionan o emprego nas compañías do sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
Soldos cativos e moitas horas de traballo. Esta é a situación de moitas persoas que manteñen unha relación laboral con algunhas empresas das denominadas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). O sector do que máis se fala en futuro ten a súa propia cara oculta que vén de denunciar a CIG co inicio dunha campaña que pon en evidencia o emprego de Empresas de Traballo Temporal (ETT) por parte de compañías que operan no sector. Desde CIG aseguran que hai persoal que queda sen vacacións mesmo cando levan 16 meses traballando e efectúan despedimentos cando hai algunha baixa xustificada. "Hai casos en que contratan unha persoa coa retribución axeitada e ao día seguinte a outra a través dunha ETT para o mesmo posto e facendo o mesmo mais cobrando 1.000 euros menos", explica a Nós Diario Alexandre Espinosa, responsábel da CIG-TIC. Este tipo de prácticas, alertan desde a central nacionalista, está cada vez máis estendida polo aforro de custes para a empresa. Espinosa asegura que hai dous mundos ben diferenciados dentro das empresas TIC. "Está o perfil de programación, moi buscado, e este de soporte telefónico que é o máis precario", asegura. A primeira acción desta campaña tivo lugar onte diante da ETT Iman Temporing, no polígono da Costa Vella en Compostela. A intención da CIG é vixiar que as empresas non lesionen os dereitos das persoas profesionais do sector. A primeira acción desta campaña tivo lugar onte diante da ETT Iman Temporing, no polígono da Costa Vella. Unha das empresas que aseguran realizan esta práctica é Indra após absorver Telecom. "Non é de recibo que compañías millonarias precarice á xente", di Espinosa. A intención da CIG é vixiar que as empresas non lesionen os dereitos das persoas profesionais do sector. Terán en conta nas súas denuncias se as empresas contan con algún contrato ou oferta pública de prestación de servizos informáticos para que se rexeite a súa contratación a través dunha ETT.
NOS_34148
A porteira Leti Rojo volve a casa para xogar na Primeira División do fútbol sala
A filla pródiga volve a casa. Leticia Rojo Pombo, 'Leti Rojo' (Carballo, 1995), regresa despois de máis dun lustro ao Viaxes Amarelle de Fútbol Sala, o equipo no que naceu como deportista con só sete anos e se desenvolveu deportivamente até que con 19 fixo as maletas. No Fisover, A Fervenza e o Ourense Envialia esta porteira creceu como futbolista, volvendo ao seu fogar máis madura e convertida en todo un seguro baixo os tres paus que agarda contribuír á consolidación do equipo na máxima categoría logo de conseguir o anhelado ascenso a Primeira hai tan só unhas poucas semanas. Avante Pouca Como afronta Leticia Rojo o regreso ao clube onde comezou a competir e que a veu medrar? Desde o día que marchei, tiña claro que algún día volvería á que foi a miña casa durante 11 anos. Chegou o hora, e penso que foi no mellor momento para min. Podería dicir que marchei co propósito de crecer, e volvo co obxectivo cumprido, persoal e futbolísticamente. Logo da súa saída do Viaxes Amarelle FSF pasou por numerosos conxuntos tanto das competicións autonómicas como nacionais, e esta pasada tempada foi porteira do primeiro equipo do Ourense Envialia. Que lle fixo decidirse para competir de novo co Viaxes Amarelle? Desde a primeira chamada tiven claro que me atraía o proxecto, sumado á presenza de Jorge Basanta como adestrador e a boa relación do grupo. E, sobre todo, volver vestir a camiseta do Amarelle na máxima categoría era algo difícil de rexeitar. Cal cre que pode ser a súa achega ao colectivo e ao equipo de cara a esta nova tempada? Espero achegar compañeirismo e traballo. Na pista gustaríame transmitir seguridade e contribuír con todo o que estea na miña man para axudar ao equipo. Avante Media Se tivo a oportunidade de seguir durante a pasada tempada as evolucións do Viaxes Amarelle, cal é o seu punto de vista sobre a súa aposta de xogo e a campaña que realizaron? Nunha tempada rara pola Covid-19, chegaron líderes invictas ao parón e culminárona cun merecido ascenso. Iso é algo que fala moi ben do traballo realizado por todo o equipo. A media de idade do cadro de xogadoras do Viaxes Amarelle FSF vai ser unha das máis novas da Primeira División, ve que a idade poida chegar a ser un hándicap para o equipo? A verdade é que me gustan moito os proxectos que apostan pola xente nova; iso quere dicir que a longo prazo, ben traballado, pode chegar a converterse nun grupo moi sólido. É certo que a experiencia xoga un papel importante ao longo da tempada, pero penso que hai moitos modos de compensalo, e así trataremos de facelo. Que agarda conseguir nesta tempada do regreso á Primeira División? Agardo conseguir todos os obxectivos que nos marquemos a principios de tempada. Vai ser unha liga moi longa, onde teremos mellores e peores partidos e momentos, mais espero que o equipo non baixe os brazos nunca até conseguir alcanzar eses obxectivos. Avante Toda Será a terceira tempada de Jorge Basanta no banco do club. Coñecíalo persoalmente con anterioridade? Que che parece a súa metodoloxía de traballo? Non o coñecía persoalmente, pero todo o que escoite del é moi positivo. Penso que é unha persoa estrita e esixente, e con iso consegue sacar o mellor das súas xogadoras. Teño moitas ganas de empezar a traballar e poder absorber todos os seus coñecementos. Unhas verbas para a afección como epílogo da entrevista? Teño moitas ganas de empezar a tempada, por falta de traballo non vai ser. Ogallá sexamos quen de facer gozar a toda a xente que nos segue. E grazas a todas as persoas que fixeron posíbel o meu regreso.
PRAZA_12365
O PP recupera deste xeito para a súa equipa un antigo militante socialista, Eladio Fernández, quen protagonizara un sonoro escándalo cando hai tres anos abandonara as filas dos socialistas a pesar de ser concelleiro en San Cibrao das Viñas e deputado provincial.
O maioritario grupo do Partido Popular na Deputación de Ourense contará con dous asesores nomeados polo presidente da institución, José Manuel Baltar, para asistir os deputados en cuestións técnicas e de procedemento. Os beneficiados por este nomeamento son Eladio Fernández, tránsfuga e antigo militante do PSOE, e José Ángel Sampayo Fernández, candidato popular á alcaldía de Amoeiro nas derradeira eleccións. Os asesores do grupo Popular pasarán a cobrar entre 1.600 e 2.000 euros netos ao mes pero con cargo ao orzamento asignado pola administración aos grupos políticos. O partido maioritario, que non contaba con técnicos coma o resto dos grupos, recupera deste xeito para a súa equipa un antigo militante socialista, Eladio Fernández, quen protagonizara un sonoro escándalo cando hai tres anos abandonara as filas dos socialistas a pesar de ser concelleiro en San Cibrao das Viñas e deputado provincial. O novo asesor, quen sufriu unha rápida conversión ideolóxica, era nos seus tempos de concelleiro un dos maiores críticos da xestión municipal da alcaldesa de San Cibrao, a conservadora Elisa Nogueira O novo asesor, quen sufriu unha rápida conversión ideolóxica, era nos seus tempos de concelleiro un dos maiores críticos da xestión municipal da alcaldesa de San Cibrao, a conservadora Elisa Nogueira, ao mesmo tempo que confesaba a súa animadversión polo ex presidente da Deputación, José Luis Baltar. Nas súas intervencións non deixaba de falar do que el denominaba "practicas caciquís do fundador do baltarismo". Nas súas intervencións non deixaba de falar do que el denominaba "practicas caciquís do fundador do baltarismo" Porén, a "desatención" ao que o someteron os socialistas, segundo manifestara nunha carta, provocou que os populares lle abriran as súas portas e o deputado reorientara a súa ideoloxía. A pesar de que lle esixiron a renuncia e a entrega da acta de deputado, Eladio Fernández decidiu conservala e pasar ao grupo dos nos adscritos para coincidir co PP á hora de votar distintas iniciativas. Xa daquela e tras coñecer a decisión do deputado socialista, os dirixentes ourensáns do PSdeG-PSOE denunciaron a conduta do tránsfuga e o propio secretario xeral, Raúl Fernández, advertiu de que ese cambio de bando tería premio. Tres anos despois, o ex deputado socialista convértese en asesor do grupo provincial do PP. Tránsfugas e cambios de partido O caso do tránsfuga Eladio Fernández non foi o único que aconteceu na pasada lexislatura na provincia de Ourense. Nas Terras de Trives, dous concelleiros socialistas derrubaron coa axuda do PP ao alcalde independente de Trives, Francisco José Fernández, quen volveu gañar nas últimas elección a pesar de ser desaloxado en 2008. E en Carballeda de Valdeorras a alcaldesa, María del Carmen González, presentouse nas últimas eleccións como candidata do PP, tras ocupar o mesmo posto sendo socialista e máis tarde independente. Precisamente este luns recibiu a visita oficial do presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar.
NOS_13324
En Cacheiras, Teo.
Un labirinto deseñado nunha finca labrada para que crianzas e maiores gocen da sensación de "perderse nun campo de millo". O obxectivo é que as persoas que o visiten gocen dunha actividade en contacto coa natureza e dunha xornada distinta perdéndose e buscando a saída entre mazarocas. Así presenta o Concello de Teo esta oferta de lecer. A leira de millo, un cultivo maioritario en Galiza pola súa utilización no sector agrario e gandeiro galego, representa "unha homenaxe a todas estas persoas, coidadoras do sector primario e visibiliza que, ademais da utilización propiamente forraxeira desta planta, é tamén neste caso un espazo para o esparexemento, o xogo e o ocio de toda a poboación". As persoas que se acheguen ao labirinto encontrarán unha parcela de arredor dunha hectárea plantada a millo, á que poderán acceder de forma libre e gratuíta, "cunha entrada e carreiros intercomunicados no seu interior que levarán a unha única saída. A sensación de pasear polo seu interior e estar perdido podendo ver unicamente plantas de millo e o ceo é ben curiosa e impresionante". Ademais, nas fins de semana, na entrada ao recinto, haberá servizo de cantina, máis concretamente as sextas feiras entre as 16 e as 20 horas e sábados e domingos de 12 a 20 horas. Tamén haberá, ao seu carón, unha zona habilitada para que as persoas poidan desfrutar dunha merenda campestre. Igualmente, quintas e sextas de setembro haberá unha escape room como actividade complementaria, así como tamén está previsto que sirva de emprazamento para unha Festa de Apego durante o mes de setembro, actividades que se irán programando e anunciando na web municipal e redes sociais, tanto do Concello como da área de Turismo. O labirinto de millo está situado nun espazo rural no lugar da Torre, na parroquia de Cacheiras, o que debe terse en conta para o acceso, localizando previamente esta instalación. Contará con baños públicos nas inmediacións. Entre as principais recomendacións para a súa utilización están que as crianzas deben manterse custodiadas en todo momento por responsábeis adultas e empregar os camiños habilitados para o paseo.
PRAZA_18615
O Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña impulsa dous talleres de robótica para alumnado de terceiro curso de Primaria
Unha xornada sobre ciberseguridade e un obradoiro de alfabetización dixital abriron o pasado mércores a Mobile Week Coruña. Isto é, o primeiro evento tecnolóxico promovido pola Mobile World Capital fóra de Barcelona e que ten o seu epicentro ata o martes 27 na Coruña, aínda que tamén con actividades puntuais noutras localidades. A cita, centrada no concepto de "futuro cotián" para abordar as evolucións tecnolóxicas que xa "condicionan a evolución da nosa sociedade" combina presentacións para profesionais do sector con exposicións e actividades para o público xeral. Entre elas, o fomento da robótica entre a rapazada. O Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña impulsa dous talleres de robótica para alumnado de terceiro curso de Primaria O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña impulsa no marco da Mobile Week dous talleres de robótica para alumnado de terceiro curso de Primaria. A través dos xogos, este xoves e venres poden "coñecer avances neste ámbito e probalos en primeira persoa a través dos xogos" co obxectivos de "espertar o interese na tecnoloxía entre os máis pequenos". Desenvólvense nos colexios Escolapios -o día 22- e no Eusebio da Guarda -o 23-. Xa o sábado e en colaboración coa compañía de telecomunicacións R, o CITIC abre a súa sede a nenas e nenos de 9 a 10 anos (10:30) e para rapazada de 7 a 8 anos (12:30). Ás cinco da tarde do sábado, pais e nais poden asistir a unha conferencia sobre robótica na infancia. O mércores, na inauguración da Mobile Week, o director da mesma, Carlos Grau, salientou que "a idea é levar a tecnoloxía á sociedade civil". Nese acto, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, insistiu nesa importancia da "implicación de toda a sociedade" na innovación mentres que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou que Galicia é "un lugar adecuado para manter unha empresa de tecnoloxía". Os dous apostaron por que o evento continúe en anos próximos.
NOS_21268
Alberto Garzón, que na mañá do sábado resultou elixido coordinador federal de IU co apoio do 81,2% da dirección, sinalou que os resultados de Unidos Podemos nas eleccións xerais se deberon ás "campañas paralelas e desconectadas unhas de outros".
O recentemente elixido coordinador federal de IU afirmou na mañá do sábado que "as campañas paralelas e desconectadas unhas de outros" diminuíron a eficiencia da coligazón Unidos Podemos, que perdeu máis dun millón de votos a respeito das eleccións 20 de decembro. Tamén responsabilizou dos resultados as présas á hora de compoñer a alianza. Aliás, o dirixente de IU sinalou que "o proceso caótico que estivo desvinculado do tecido social preexistente agudizou as contradicións e tensións propias" entre as formacións que integran Unidos Podemos. Sobre as "campañas simultáneas e independentes" dos socios da coligazón, Garzón salientou que puideron "mandar unha mensaxe equivocada". Aínda así, o coordinador federal de IU defendeu a alianza que provocara tensións internas na súa formación. Elixido coordinador federal Na mañá do sábado, Garzón foi designado coordinador federal de IU pola Asemblea Político Social, que o apoiou co 81,2% dos fotos a favor (un total de 89 votos) e o 18,8% de abstencións (22 abstencións). Segundo se puido saber, entre as persoas que se abstiveron á hora de votar Garzón atópase Gaspar Llamazares, que nos últimos meses se amosou publicamente moi crítico coa decisión de IU de concorrer con Podemos nunha coligazón ás últimas eleccións xerais.
NOS_6622
Perto de 22% das mulleres teñen un traballo a xornada parcial, porcentaxe que cuadriplica a dos homes.
A muller é a principal afectada polo empobrecemento e precarización do mercado laboral galego. Eis unha das chaves que se extraen do estudo 'Situación sociolaboral das mulleres en Galiza 2018' que presentou a CIG esta terza feira en Compostela. "A situación das mulleres no mercado laboral é infinitamente máis precaria que a dos homes", denuncia a central nacionalista. A fenda salarial sitúase en 21,5%. Houbo unha diminución coa crise (en 2009 era de 23,07%), mais esta redución procede, en maior medida, pola perda de emprego masculino fronte ao feminino. Neste mesmo período, os prezos -medidos a través do IPC- medraron EN 12,7%. Así, a perda da poder adquisitivo da clase traballadora galega é evidente, tanto no caso dos homes como no das mulleres. O informe, ademais, apunta un dado clarificador: a partir dun determinado nivel de ingresos, as mulleres practicamente desaparecen do mercado de traballo, e a presenza dos homes é cada vez maior. Canto máis ingresos, menos mulleres. 37% das mulleres asalariadas galegas acadaron ingresos inferiores a salario mínimo (SMI). Ademais, 20,5% non chega á metade do soldo mínimo. O grupo de asalariadas onde máis medrou a ocupación foi o das de menores ingresos, entre as que percibiron menos da metade do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). Concretamente neste grupo houbo un incremento deo 14%, e os seus ingresos só aumentaron un 7%. A secretaria de Mulleres da CIG, Margarida Corral, deu conta da campaña de mobilizacións que o sindicato ten previstas cara ao 8 de marzo. Corral denunciou que "ao poder non lle interesa a existencia de mulleres organizadas nin mulleres que manteñan unha actitude combativa ". explicou que a central nacionalista entende que "é preciso dar un paso máis" respecto ao 8M do ano pasado e por iso impulsan unha greve de 24 horas de mulleres para esta data. Convocan 27 mobilizacións por toda Galiza.
NOS_53761
Dous actos en Compostela este sábado centrarán a celebración á escritora e feminista galega congregando a máis de trinta profesionais da música, literatura, artes escénicas, creación videografíca e comunicación
Deixounos vai para un ano, cando decidiu partir coa mesma decisión e valentía coa que decidiu vivir. E este sábado, 24 de outubro, Compostela vai acoller unha xornada de lembranza e recoñecemento á súa veciña nada no Calvario (Vigo). Baixo o lema "Begoñísima", decorrerán unha serie de actos: unha mesa redonda sobre "sororidade" na Fundación Granell e un acto no Teatro Principal que congregará máis de trinta profesionais da música, literatura, artes escénicas, creación videográfica e comunicación. "A sororidade é unha arma de empoderamento que só pode facernos máis libres" (Begoña Caamaño) A Fundación Eugenio Granell acollerá a mesa sobre a sororidade e a relevancia deste concepto na articulación actual dos feminismos, coa participación das feministas: Antía Pérez Caramés, Ana Sánchez Bello, Carmen Castro Garcia e Lola Ferreiro Díaz. Será a partires das 17:30 horas. Un encontro arredor dun dos elementos centrais na obra de Begoña Caamaño, "a sororidade" como empoderamento na procura dun mundo máis libre e máis xusto para as mulleres e formular ao tempo os perfís que a sororidade toma nas praxes actuais do feminismo. Principal Por volta de 30 profesionais da música, literatura, artes escénicas, creación videográfica e comunicación participarán no acto arredor de Begoña Caamaño que decorrerá no Teatro Principal de Compostela a partires das 20:30 horas. Uxía, Mercedes Peón, Alba María, Habelas Hainas e De Vacas porán a musica a un acto no que se proxectará a creación videográfica das Candongas do Quirombo, e as intervencións de Aldaolado, as escritoras María Xosé Queizán e Carmen Panero e a actriz Mónica Caamaño. Ademais contará coa participación de compañeiras e amigas da escritora, a produción de Concha de la Fuente e a colaboración de Elena Ferro. Asemade serán presentados dous libros arredor da súa obra , O libro das Amigas, con deseño de Uqui Permui e ilustracións de Montse Amigo, no que 22 mulleres lembran á autora e Circes e Morganas. Homenaxe das escritoras a Begoña Caamaño, promovido pola Plataforma A Sega, con textos de 25 escritoras.
NOS_48753
O alto tribunal galego considera que priman os criterios de saúde pública fronte a intención de manifestarse en coches no 1º de maio do sindicato, que considera que a sentenza "valida a idea paralegal de que o estado de alarma amordaza os dereitos sindicais".
A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) desestimou nesta terza feira, 28 de abril, o recurso interposto pola Central Unitaria de Traballadores (CUT) contra a resolución de 21 de abril da Subdelegación do Goberno español en Pontevedra, denegando a organización dunha manifestación o próximo 1 de maio. O sindicato solicitara autorización para desenvolver a marcha en Vigo a bordo de coches particulares, cunha persoa por vehículo, comezando na praza de España finalizando finalizaría no Arenal, diante do edificio da Xunta. En consecuencia, o tribunal mantén a prohibición acordada. Ademais, impuxo o pago das costas procesais. Para a CUT, a sentenza con data de 29 de abril "valida a idea paralegal de que o estado de alarma amordaza os dereitos sindicais" e é por iso que presentou un recurso ante o Tribunal Constitucional. "A CUT ten denunciado de maneira reiterada que os Poderes Públicos están a agochar baixo a declaración do estado de alarma un auténtico estado de excepción", afirma o sindicato nun comunicado. Amparo da Constitución española "Só o estado de excepción pode de maneira motivada suspender os dereitos de mobilización e a liberdade sindical, tal e como indica a propia Constitución española e reiteradas sentenzas do Tribunal Constitucional", sinala a CUT, que considera que todas estas normas estanse a converter agora en "auténtico papel mollado". É por iso que no recurso ante o Tribunal Constitucional, a CUT argumenta que para o TSXG "prodúcese unha permanente confusión entre os dereitos de libre circulación e o dereito de manifestación, configurando o primeiro como suposto habilitador do segundo". Cre a CUT que "esta incorrecta interpretación levaríanos ao absurdo de que sendo a limitación da circulación unha das medidas propias do estado de alarma, e sendo tal liberdade presuposto do dereito de manifestación, a convicción constitucional de que o estado de alarma non pode suspender tal dereito sería unha mera declaración de intencións, en canto tal suspensión sería consecuencia lóxica e inevitábel". "Decisión política, non xudicial" O secretario xeral do sindicato, Ricardo Castro, manifestou ao respecto que "o TSXG vai máis ala do tolerábel presupoñendo que unha manifestación en coches cunha persoa por vehículo implica un risco para a saúde, sen embargo é público e notorio que o Goberno recomenda este método para os desprazamentos ao traballo sen que se entenda que aí existe risco ningún". Castro engadiu que "o problema non é a caravana, senón quen a convoca e os motivos da mesma", e que "estamos ante unha decisión política e non xudicial". Neste sentido, a CUT agarda que o Tribunal Constitucional "cumpra co seu papel" e emita unha resolución nas próximas horas que autorice definitivamente a manifestación.
NOS_29155
Comezamos un novo ano e seguimos sen poder botarnos a andar e ver como, e canto, quixeramos polos infinitos camiños do país, pero non por iso imos deixar de facelo, aínda que as circunstancias non nos axuden.
As poucas opcións que nos quedan fan que nos fixemos máis nos pequenos detalles de proximidade. Malo será que desde onde nos atopemos non teñamos acceso a un lugar no que gozar dunha camiñada en contacto coa natureza: pasear por un parque, percorrer un camiño entre cultivos, camiñar pola beira do mar ou dun río, internarse polos carreiros dun bosque ou dun monte... A xeada non é o mesmo que a neve, non ten o seu poder de atracción nin as mesmas posibilidades de goce Repetiremos itinerarios ducias de veces percorridos, sen deixarnos vencer pola monotonía, porque aínda que os camiños sexan os mesmos, iremos recoñecendo e gozando cos pequenos cambios que se producen co paso dos días: a presenza ou a falta do sol; o paso fuxidío, ou o son madrugador, dun paxaro; a flor, fóra de estación, dunha planta que ousa desafiar ao clima... A xeada non é o mesmo que a neve, non ten o seu poder de atracción nin as mesmas posibilidades de goce, pero para os que non a soportamos moi a miúdo nin sufrimos cada inverno as consecuencias da súa pegada, ten a vantaxe de que podemos aproveitala en case calquera parte, sen necesidade de facer desprazamentos que nestas datas e non polas condicións ambientais, que tamén, se non polas circunstancias socio-sanitarias, nos teñen limitados. Estes días, cando as frías condicións do ambiente convidan máis que nunca a quedar na casa, se o tempo está seco, e mellor se acompaña o sol, ofrecen unha boa ocasión para botarse enriba unha roupa de abrigo e facer unha camiñada coa que, ademais de gozar dos beneficiosos efectos do exercicio, imos entrar en calor, temos a oportunidade de ver o cotiá cunha faciana diferente, unha ocasión para gozar da transformación que a caída da temperatura durante a noite produciu no vapor de auga do ambiente, ata facelo depositarse en forma de xeo, mudando a paisaxe que vira -das poucas cores que lle deixa a caída das follas ao remate do outono, e a entrada do inverno- ao branco, e os deseños e o espesor dos vidros do lazo co que amenceron cubertas as pozas; para sentir o escachar da terra ao crebarse debaixo dos pés o xeo que se formou nela; para gozar coa presenza das incontables arañeiras transformadas en fráxiles encaixes brancos, encaixes que tamén beirean as follas caídas, ou as que aínda se manteñen unidas ás polas, tamén brancas; para ver as formas, os brillos e a luz dos carambelos que se forman onde pinga ou escoa a auga; para sentir o frío da néboa que se desprende da terra e fuxe do sol agochándose entre as árbores da contorna.
NOS_28402
A vicepresidenta Carmen Calvo lembra ao PP que Fraga "púxose de perfil" ante o Estado autonómico que agora exixe. A representante do Goberno de Pedro Sánchez tamén aludiu ao ex presidente galego como un "ministro de Franco" ante as acusacións dos populares polo suposto incumprimento das competencias en materia fiscal.
O ex presidente da Xunta e ex ministro con Franco, Manuel Fraga Iribarne, volveu hoxe á actualidade política após 15 anos fóra dese ámbito e cando pronto se fan 11 anos do seu pasamento. Foi a vicepresidenta primeira do Goberno do Estado español, Carmen Calvo, quen falou de Fraga nun cruce de acusacións co PP. Durante a sesión de control ao Goberno no Senado a popular Ana Camins acusou ao equipo de Pedro Sánchez de "entregar atada de pes e mans" a Comunidade de Madrid "aos inimigos do Estado". Desta forma falaba do pacto entre o PSOE con ERC para a harmonización fiscal a cambio do apoio do partido catalán aos orzamentos do Estado para 2021. Ante esta acusación, Calvo afeou ao PP que agora queira tomar o papel de "defender das competencias das Comunidades Autónomas e, en concreto, de Madrid, cando o fundador do partido, Manuel Fraga, púxose de perfil cando se debateu na Transición o Estado das Autonomías que agora reivindican". Calvo non esqueceu recordar que Fraga era "un ministro que se sentaba na ditadura de Franco". "Vostedes, con Fraga, puxéronse de perfil para entender as autonomías que agora reivindican", insistiu. Porén, a vicepresidenta asegurou que a preocupación e ocupación do Partido Popular non é ese debate, senón "estar na bronca continua". O "bastión liberal" "Teñen que explicarlle aos españois por que no peor momento non entenderon nin unha letra da palabra pandemia e crise. Ese é o seu problema e non saben como resolvelo", remarcou. Pero Camins sostivo que no "Goberno máis radical da democracia" Gabriel Rubián, o voceiro de ERC, "manda moitísimo máis que os 22 ministros". En calquera caso, a senadora comentou que "Madrid é un bastión liberal que funciona" e que, ante a "locomotora do país", non van "permitir saltar a Constitución e invadir as súas competencias".
NOS_35741
A xunta de accionistas da pesqueira ten lugar o 12 deste mes, e estes tres nomes, xunto co dun ex-presidente da potente construtora FCC, saen á luz como candidatos
O ex-presidente de Fomento de Construcciones y Contratas (FCC), Baldomero Falcones, o ex-ministro de Adolfo Suárez, José Manuel Otero-Novas e o ex-presidente do TC, Alvaro Rodríguez Bereijo, perfílanse como posíbeis presidentes de Pescanova en substitución de Manuel Fernández de Sousa, que demitiu do seu cargo en xullo. Estes tres nomes son os candidatos a presidir a pesqueira na proposta do consello de administración da empresa presentada polo fondo estadounidense Cartesian e aAsociación Española de Accionistas Minoritarios (Aemec). Nesta proposta, integrada por 14 ou 15 conselleir@s, os promotores avogan por un consello de administración integrado por independentes, "que xere confianza na compañía e que non esté composto por ningún membro do actual consello". Nesta lista estarían nomes coma o expresidente de NH Hoteles e SOS Cuétara Mariano Pérez Claver; opresidente de Ezentis, Manuel García Durán; o expresidente de KPMG Jesús Peregrina, a excomisaria de Asuntos Exteriores da UE Benita Ferrero-Waldner; oexministro Pío Cabanillas; entre outros
NOS_22221
Cunha listaxe de 173 nomes, representantes de distintos sectores do mundo da cultura entran en campaña para apoiar a opción de Alternativa Galega de Esquerda. A escritora Rexina Veiga presentou a iniciativa da man d"s tres representantes da organización Xosé Manuel Beiras, Yolanda Díaz e Lidia Senra.
O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín e o propio Xosé Manuel Beiras son algúns dos nomes que integran a listaxe na que tamén figuran Fran Alonso, Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Araguas, Darío Xohan Cabana, Mónica Caamaño, Morris, Chus Pato, Vicente Montoto, Antía Otero, Francisco Pillado, Xavier Seoane ou Rexina Veiga, encargada da súa presentación nun acto público en Compostela. Destacan, de maneira especial, os nomes que se moven no entorno de Xosé Manuel Beiras e, en especial, de Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outros, varios nomes que foron o seu apoio na Academia Galega e poetas das Redes Escarlata. "Somos clases populares, e sabemos que só organizando a rebelión cívica e facendo parte da Internacional do traballo e dos pobos agredidos seremos capaces de organizar o noso propio futuro e de garantir un mínimo de mil primaveras máis para a lingua galega", sinala o Manifesto de traballadoras e traballadores da Cultura, que foi lido pola escritora Rexina Veiga. "É preciso combater, ademais, a uniformización cultural procedente sobre todo dos Estados Unidos", apuntou a candidata Lidia Senra na presentación do manifesto esta cuarta feira en Compostela. "Hai século e medio que se comezou a erguer a cultura galega, e estes cipaios estana a destruír", engadiu Beiras.
NOS_8995
Iniciarán unha campaña para promover esta medida que, din, visa tamén promover "os valores da reciclaxe, do coidado e do traballo en equipa" entre a mocidade. "Non queremos cheques, nen subvencións", sinalan.
A Confederación de Anpas de Galiza acordou na súa última Xunta Directiva iniciar unha campaña de para relanzaren a "permanente reivindicación", sinalan, da gratuidade nos libros de texto. Neste senso, as asociacións de nais e pais instarán o goberno galego a pór un marcha un novo servizo de préstamo que permita o acceso ao material escolar no ensino obrigatorio. Desde a dirección das Anpas galegas aseguran que o ensino é "unha incuestionábel responsabilidade social" polo que se deben achegar "todas as facilidades necesarias para que toda a infancia e toda a xuventude teñan os medios abondos para aproveitar e se beneficiar deste esforzo conxunto". Defenden que se desenvolva un servizo de préstamo de libros que difunda, tamén, valores de reciclaxe, coidado e traballo en equipa Así, subliñan que a defensa desta gatuidade foi asumida no informe de 2013 pola propia Defensora del Pueblo ao asegurar que "A Constitución non só define o ensino básico como gratuíto, senón tamén como obrigatorio. E do estabelecemento dese deber constitucional ten que se deducir o correlativo deber público de proporcionar todos os medios imprescindibles para que poida ser cumprido". Mais desde a Confederación de Anpas rexeitan que a administración galega proporcione os libros e o material através de "cheques" ou "subvencións". En toca, desde as Anpas galegas defenden que se bote a andar un servizo de préstamo --semellante ao desmantelado polo Partido Popular á súa chegada ao goberno de Galiza en 2009. Un sistema, sinalan, "ademais de asumir a obriga pública de facilitar que o ensino obrigatorio sexa gratuíto, participe tamén na difusión dos valores da reciclaxe, do coidado e do traballo en equipo entre a nosa xuventude".
NOS_20156
"Mentres no exterior parece que volta a normalidade, nas prisións continúan este tipo de restricións abusivas", lamentan.
Varias familias de persoas presas nos centros pentienciarios da Lama e Teixeiro presentaron recentemente unha denuncia "pola imposición de corentenas arbitrarias e ilegais". Esta práctica, sinalan a través dun comunicado, "vense desenvolvendo nos cárceres galegos desde hai dous anos coa escusa da pandemia". Agora o Xulgado Central do Contencioso-Administrativo número 10 vén de admitir a denuncia a trámite. Acusan a directora do cárcere da Lama de represaliar presos cuxas familias denunciaron "vulneración de dereitos" A admisión do escrito, destacan, "considera a arbitrariedade coa que as direccións dos cárceres, abalados por Institucións Penitenciarias, determinan a prohibición das saídas por permisos, visitas íntimas e familiares e a realización de corentenas despois das mesmas, sen fundamentos sanitarios". Así, o colectivo de familiares pon o foco no "abuso de poder" que supón a imposición de "corentenas posteriores a unha visita que pasan de cinco a dez días sen xustificación ningunha". Familiares de presos de Teixeiro volven mobilizarse: "Mentres denunciamos, as represalias continúan" "Fechan as saídas por permiso ao mesmo tempo que no exterior abre o lecer nocturno e, en definitiva, vulnérase o regulamento penitenciario sen aportar ningún tipo de xustificación", engaden. Este primeiro paso a través da vía xudicial é para as familias das persoas presas "unha pequena vitoria para evitar que se continúe a abusar das medidas sanitarias para infrinxir castigos que son considerados tortura na propia lexislación internacional", e neste senso lembran que "a Lei Mandela considera como tal o illamento prolongado durante máis de 14 días, práctica que ten sido recorrente durante estes últimos anos coa escusa da Covid". Denuncian que dous presos independentistas están sometidos a unha "corentena ilegal" en Teixeiro "Entendemos que este non é o final do camiño e queremos pór o acento sobre a situación actual nos cárceres galegos: mentres no exterior parece que volta a normalidade, nas prisións continúan este tipo de restricións abusivas", conclúe o comunicado.
PRAZA_8688
Soterrados entre a morea de anuncios e iniciativas fragmentadas do novo plan de reformas escóndense algunhas claves de por onde van ir as reformas de verdade que o Executivo do PP aplicará nos próximos meses de forma máis silenciosa
O Plan Nacional de Reformas presentado o venres polo Consello de Ministros é de aparencia inocua e insípida. Con todo, enterrados entre a maraña de anuncios resesos e iniciativas fragmentadas escóndense algunhas claves de por onde van ir as reformas de verdade que o Executivo aplicará nos próximos meses de forma máis silenciosa. Estas son algunhas delas: 1. Máis recortes en educación, sanidade, dependencia e ciencia? O programa só contempla un axuste orzamentario no capítulo do financiamento especial de convenios ás comunidades autónomas. Esta partida tan críptica enterra axudas en partidas de educación, sanidade e investigación que o Estado cofinancia coas comunidades autónomas. O tres ministerios que máis convenios deste tipo teñen asinados son Educación, Sanidade e Emprego. Hai convenios que axudan a financiar en gran medida as políticas de dependencia, acollida de inmigrantes, axudas a libros de texto e un longo etcétera de programas sociais cuxa competencia é da comunidade pero á que o Estado axuda. Esta partida tan críptica enterra axudas en partidas de educación, sanidade e investigación que o Estado cofinancia coas comunidades autónomas O ministro tamén asegura que se regularán os convenios coa administración local, é dicir, as axudas que se dan aos concellos, que exercen funcións como, por exemplo, as gardarías. Con todo, Cristóbal Montoro, o ministro de Facenda, defende que as comunidades poden absorber este menor financiamento para prestar estes servizos grazas a que van ter unha marxe moita maior para cumprir co déficit, que pasa do 0,7% de obxectivo para este ano ao 1,2%. 2. E as pensións? A desindexación da economía, isto é, que as cousas deixen de subir co IPC, non afecta este ano ás pensións. O Executivo non ten présa en pór en marcha este ano a lei porque a súa previsión é que en novembro, mes que se colle de referencia para compensar ás pensións pola súa perda de poder adquisitivo, a inflación estea por baixo do 2% ou mesmo do 1%. De ser así, o Goberno podería esgrimir que as pensións de menos de 1.000 euros, que subiron este ano un 2%, mellorarían mesmo o seu poder adquisitivo. 3. A "sustentabilidade" acelerada A aplicación do factor de sustentabilidade estaba prevista para o longo prazo. Na reforma das pensións, o factor de sustentabilidade "que será o que finalmente imporá como e en función de que parámetros se actualizan as pensións" dicía que podería empezar a actuar a partir de 2027. O poder adquisitivo dos pensionistas baixará ano tras ano Con todo, a lei recolle unha trampa: contémplase que, no caso de que a Seguridade Social entre en déficit (cousa que contemplan as actuais previsións), o factor pode entrar a operar inmediatamente. Con esta previsión, está practicamente asegurado que en 2014 as pensións xa non se revisarán en función da inflación prevista, que actualmente se sitúa no 2%. O máis probable é que as pensións deixen de subir co custo da vida. Dito doutra forma: o poder adquisitivo dos pensionistas baixará ano tras ano. 4. Alugueres sen IPC A desindexación da economía só afecta a "rendas públicas". A vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, quixo facer fincapé varias veces sobre que a futura lei "o máis novo do paquete de reformas presentado onte" só afecta á esfera dos contratos públicos. Con todo, fontes do Executivo recoñecen que queren cambiar a actual Lei de Arrendamentos Urbanos para eliminar que, por defecto, o aluguer sempre se actualice en función do IPC, a menos que se inclúa unha cláusula que indique o contrario. A partir de agora, os contratos deberano especificar. Ademais, a lei non se poderá aplicar de forma retroactiva e só aplica aos novos contratos que asine o Estado con provedores. Tampouco se lembrou que do mesmo xeito que os provedores se lucran en ocasións por unha mellora dos prezos por encima da inflación real ou dos seus gastos, o Estado pasa a factura co IPC incorprado en miles de contratos de concesións públicas e canon administrativos. En definitiva, aforrarase por unha banda pero deixarase de ingresar polo outro. 5. Outra volta de torca á reforma laboral? A creación dun experto que valore a reforma laboral. O Goberno recuperou a obriga de avaliar a reforma laboral á que se comprometía na lei. Fontes do Executivo din que o experto independente non será do sector privado senón un organismo multilateral. Por exclusión, poderían ser a Organización Internacional do Traballo (OIT), que depende de Nacións Unidas, ou a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE). Non é igual una que outra: a OCDE defende valores moito máis liberais. 6. Superados polo paro As previsións do cadro macroeconómico quedaron obsoletas un día antes da súa publicación ao saír os resultados da taxa de paro do primeiro trimestre O paro pode caer se a economía perde poboación activa. As previsións do cadro macroeconómico quedaron obsoletas un día antes da súa publicación ao saír os resultados da taxa de paro do primeiro trimestre do ano. Segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA), no primeiros tres meses do ano a taxa de paro chegou ao 27,16%, a mesma proporción de desemprego que Economía predicir para todo o exercicio. Para que se cumpra a previsión, a taxa debería permanecer constante o resto do ano, e isto só pódese conseguir, ben non engadindo nin un só parado nin activo (o que quere e pode traballar), ou ben cunha menor poboación activa, que faga que a proporción de parados sexa relativamente menor. 7. Pouco emprego e ademais precario O emprego que se cre será en precario. A partir de 2015, as previsións de Economía son que se xere emprego neto, con 300.000 novos postos de traballo, aínda que o crecemento económico apenas sexa dun 0,9%. A asunción xeneralizada até agora en España é que a economía só podía producir emprego crecendo a taxas superiores ao 2%. Con todo, o titular de Economía, Luís de Guindos, aclarou que grazas á reforma laboral, España pode chegar a crear emprego con taxas menores ao 1%. A reforma laboral inflúe neste sentido: favorece a creación dos chamados minijobs, así como os empregos fóra de convenio con salarios inferiores ou peores condicións.
NOS_26335
Pretende evitar as prolongacións irregulares de xornada e garantir a axeitada cotización en materia de Seguridade Social.
CIG vai remitir a todos os grupos con representación no Parlamento de Galiza e no Congreso español unha Proposición de Lei sobre o establecemento dun rexistro diario da xornada de traballo. Unha medida que permitiría acreditar a realización de horas extraordinarias en caso de discrepancias para alén de garantir a correcta cotización en materia de Seguridade Social. A CIG afirma que a flexibilidade horaria que permite a actual lexislación laboral deu lugar a numerosos litixios nos que se cuestionou se as empresas están ou non obrigadas a levar un rexistro diario da xornada de traballo. Un tema que non é menor, pois afecta os medios de proba de que dispoñen os traballadores para acreditar a realización de horas extraordinarias en caso de discrepancias sobre a súa realización e abono. O Tribunal Supremo resolveu definitivamente a cuestión mediante sentenzas de 23 de marzo e 20 de abril de 2017, nas que conclúe que o artigo 35.5 do Estatuto dos Traballadores, que é a norma legal de aplicación, non establece a obriga de rexistrar diariamente a xornada ordinaria, senón só as horas extraordinarias no caso de que se produzan. "Con todo, manifesta que sería conveniente unha reforma lexislativa que clarificase a obriga de levar un rexistro horario e facilitase ao traballador a proba da realización de horas extraordinarias", indica o sindicato nacionalista. A Proposición de Lei que promove a CIG cubriría esa necesidade de clarificación normativa e seguridade xurídica, modificando os artigos 34 e 35 do Estatuto dos Traballadores para establecer a obriga para todas as empresas de rexistrar diariamente a xornada dos seus traballadores, en termos similares á regulación actualmente existente para os traballadores móbiles no artigo 10 bis.5 do Real Decreto sobre xornadas especiais de traballo. Tamén se modificaría o artigo 7.5 da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social, a fin de establecer como unha infracción grave en materia de relacións laborais individuais e colectivas a falta de control ou incorrecto control do rexistro diario de xornada. No 2015 realizáronse no estado español un total de 327 millóns de horas extras. Unha media de 6,3 millóns á semana. Desa cantidade semanal, a maior parte (por volta de 3,5 millón) non se retribúen. Nun con cartos nin con tempo de descanso. Algo que se fai só en 2,8 millóns de cada 6,3 millóns de horas de exceso de xornada que se realizan á semana. Son datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) e as conclusións son evidentes: o 56% das horas extras que se fan no estado español non se pagan. Ou sexa, perto de 183.120.000 horas anuais sen retribuír.
PRAZA_7466
Milleiros de persoas maniféstanse en Compostela contra o plan de reestruturación de Novagalicia Banco e os máis de 2.500 despedimentos que trae consigo. Galería de imaxes no interior
"Somos traballadores, non estafadores". Foi unha das consignas máis repetidas na mañá deste sábado polas rúas de Compostela, ateigada de persoal de Novagalicia Banco e das súas familias e persoas achegadas. Todos clamaban contra a enésima consecuencia do proceso que comezou coa fusión de Caixa Galicia e Caixanova -"non foi fusión, foi demolición", aclara unha traballadora-, o plan de reestruturación pactado polo Goberno de España coas autoridades europeas e que trae consigo 2.508 despedimentos, ademais dunha quita de ata o 40% dos cartos dos e das afectadas polas participacións preferentes. Baixo unha intensa chuvia da que moitos dos asistentes se protexían con paraugas con logotipos das extintas entidades de aforro ou da agoniante Novacaixagalicia, os sindicatos sectoriais e de clase -CIG, CCOO, UGT, CGT, CSICA e ASCA-, os principais partidos diferentes do PP e, sobre todo, persoas afectadas directamente polo proceso, esixiron que a cúpula de Novagalicia dea marcha atrás na "fraude social e laboral" que están a levar adiante. "O próximo despido, que sexa un directivo", coreábase entre pancartas nas que se rexeitaba o "espolio" non só da entidade financeira, senón tamén do que algún día foi unha potente obra social. O plan de reestruturación contempla máis de 2.500 despedimentos e a quita de ata un 40% nas preferentes "O noso sacrificio, o seu beneficio", repetía a megafonía que abría a comitiva, que fixo rebordar sobradamente a Praza de Praterías, lugar elixido para a conclusión da protesta. Alí, aguantando estoicamente baixo o dioivo, lembráronse os principais efectos do plan de reestruturación: "a destrución" dos devanditos 2.500 postos de traballo "e máis despedimentos nas empresas auxiliares", a "desaparición da participación accionarial da antiga caixa de aforros no banco, poñendo en perigo a viabilidade da obra social", que o "conxunto da sociedade asuma as perdas derivadas da mala xestión das dirección", "o peche de oficinas", especialmente "no rural" ou a "incautación do patrimonio acumulado polos aforros de milleiros de galegos e galegas durante case dous séculos". Do mesmo xeito, os representantes dos traballadores rexeitan tamén a "dura e inmoral quita para os aforradores e aforradoras posuidores de débeda subordinada", isto é, das preferentes, mentres que "se garante o pagamento aos grandes investidores institucionais, posuidores de células hipotecarias". O conflito das preferentes foi, precisamente, unha das cuestións máis lembradas nas rúas compostelás este sábado. Non faltaba quen amosaba toda a comprensión pola ausencia das plataformas de afectados. Non en van, lembran, moitos dos que hoxe se manifestaban foron quen tiveron que vender eses produtos. "Clientes e persoal, afectados por igual", coreouse.
PRAZA_824
O Center For Active Design, prestixiosa ong de Nova York, recoñece o proxecto urbanístico e o cambio para ben que se deu na cidade e que supuxo non só o cambio da localidade, senón dos hábitos dos seus habitantes
Pontevedra volve recibir un premio opolo seu modelo urbanístico. Desta vez foi o Center For Active Design (CAD), ong creada polo ex alcalde de Nova York, Michael Blommberg, quen premiou o desenvolvemento urbano da cidade, un recoñecemento que chega dunha organización na que participan universidades dos EUA, colectivos profesionais de arquitectos e diferentes organismos de saúde pública e urbanismo. O prestixioso Center For Active Design recoñece o modelo urbanístico de Pontevedra A cidade de Pontevedra, gobernada polo nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, foi recoñecida xunto outros cinco galardoado máis por un xurado de especialista que vloraron o bo facer da localidade en catro eixos fundamentais que recoñecen o esforzo por favorecer e incrementar a actividade física da veciñanza: o transporte, o ocio activo, os espazos públicos e a alimentación. No caso da urbe galega, ademais, o premio recibe un recoñecemento especial por constar dun modelo urbanístico que non só cambiou a cidade senón os hábitos dos seus cidadáns. O premio chega pouco despois de que Pontevedra tamén recibise o recoñecemtno da ONU a través do Hábitat. O alcalde Lores, do BNG, volveu agradecer a colaboración e participación de toda a veciñanza no modelo urbano e destaco o aal que o premio do CAD supón para o proxecto de cidade que leva xa anos instaurando na urbe. O premio será entregado no Columbus Circle de Manhattan o vindeiro 11 de maio nunha entrega que se celebrará ás 18.30, hora local.
PRAZA_10543
No evento, que se celebra cada dous anos e no que desta volta participan 26 cidades da eurorrexión, o deporte adaptado segue a aumentar con 130 deportistas
No evento, que se celebra cada dous anos e no que desta volta participan 26 cidades da eurorrexión, o deporte adaptado segue a aumentar con 130 deportistasBraga acolleu este luns a inauguración dos XIII Jogos do Eixo Atlântico, que desde 1995 congregan cada dous anos a mozos e mozas das principais cidades e vilas de Galicia e o Norte de Portugal. Desta volta son 1.800 os participantes dun total de 10 cidades galegas e 14 portuguesas que competirán en nove deportes distintos: balonmano, baloncesto, fútbol 7, voleibol, atletismo, atletismo adaptado, natación, natación adaptada e tenis. O deporte adaptado segue a aumentar en número de participantes e desta volta serán 130, o dobre que na anterior edición, celebrada conxuntamente en Lugo, Sarria e Monforte.Durante a inauguración dos Jogos, os participantes desfilaron polo centro de Braga. No acto inaugural, con representantes políticos das 26 cidades participantes, o secretario de Estado de Deportes de Portugal, João Paulo Rebelo, salientou que os Jogos "constitúen un evento deportivo transfronteirizo único en Europa", mentres que o presidente do Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal, Alfredo García, lembrou que eventos así "significan un impulso a un mellor coñecemento do territorio e a forxar amizades que nalgúns casos durarán toda a vida". Os Jogos son unha das iniciativas máis antigas do Eixo Atlántico, que salienta a súa relevancia para "a promoción do deporte, a convivencia entre os mozos e, tamén o mellor coñecemento entre os cidadáns das dúas rexións"Os Jogos son unha das iniciativas máis antigas do Eixo Atlántico, que salienta a súa relevancia para "a promoción do deporte, a convivencia entre os mozos e, tamén o mellor coñecemento entre os cidadáns das dúas rexións". Nesta edición participan por Galicia representantes de O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos, Santiago, Lugo, Carballo, Sarria, Ourense, Vilagarcía, Vigo e O Carballiño e por Portugal mozos e mozas do Porto, Guimarães, Valongo, Matosinhos, Viana do Castelo, Vila Real, Famalicão, Santa Maria da Feira, Vila Nova de Gaia, Maia, Braga, Barcelos, Bragança e Peso da Régua, localidades á que se suma a eurocidade Chaves-Verín. No transcurso da inauguración fíxose entrega do trofeo Jogo LimpoNelson Cardoso correspondente á anterior edición ao concello de Monforte. Tamén se homenaxeou a Serafín Carballo, membro do grupo de Deportes do Eixo Atlántico en representación do Concello de Lugo, atleta que vén de xubilarse como responsable de Deportes desa administración, e a Mário Manuel Silva, atleta portugués de 1.500 metros retirado que foi bronce europeo en 1990.
NOS_24948
Unha peza de música tradicional irlandesa a cargo de Ricardo Morente e Serxio Moreira supuxo o punto de inicio da homenaxe a Afonso Mendes Souto, militante independentista e docente de Lingua e Literatura Galegas recentemente falecido.
O salón de actos do tanatorio Albia da Coruña ficou pequeno para acoller a multitude que asistiu á homenaxe a Afonso Mendes Souto (A Coruña, 1980-Corfú, 2019). Cos acordes musicais que evocaban Irlanda –unha das grandes paixóns do militante independentista e profesor de Lingua e Literaturas Galegas– abría a lembranza "aos mil Afonsos, todos enormes", en palabras da súa compañeira, Patricia Fidalgo. Foi ela a primeira en intervir, emocionada, para salientar "o privilexio de compartir 10 anos marabillosos" co homenaxeado, do que "aprendín continuamente. De min. Do mundo". Como profesor entregado e de crenzas firmes e arraigadas. "Era lingua, escritura, lectura e ollada. Era escoita e diálogo". Así definiu Patricia Fidalgo a Afonso, de quen dixo, "era aprender, sempre aprender, e transmitir o aprendido como ninguén facía". Coa súa marcha física, "perdo eu, perde o país, perde o mundo", sinalou a súa compañeira, que concluíu as súas palabras agradecendo o apoio, a axuda infinita, o amor e a comprensión da familia e das amizades. "Con nós para sempre" A continuación, tomou a palabra Pilar Pallarés, unhas das guías do homenaxeado, a quen lle dedicou un poema. Leuse, posteriormente, un outro poema, escrito por José Antonio Fidalgo Ferreiro, pai da súa compañeira, e titulado "Cos pés na terra". Unha composición que valorizou as "ilusións, bondades, proxectos teimudos para mellorar a linguaxe e a Galiza coa súa laboura didáctica". Do "Afonso non está… ausentouse" pasou ao Afonso "voltou". "Xa está con nós para sempre, na memoria da noite, nos nosos corazóns e ao noso carón. Cos pés na terra". Un dos momentos máis emotivos do acto chegou da man de Ricardo Morente e Serxio Moreira, que interpretaron Negra sombra. Tomou a palabra, a continuación, unha afectada María Xosé Silvar, Ses, quen compartira aulas de Filoloxía Galega e amizade co homenaxeado. "Habemos sempre custodiar a túa Ítaca" A escritora Yolanda Castaño pronunciou un sentido discurso. "Din que a illa de Corfú foi onde Ulises fixo a primeira parada durante a viaxe de regreso á casa. Na Ítaca que hoxe alcanzamos somos nós os enriquecidos. Os momentos, as experiencias, os valores e todo o que aprendemos de Afonso son os tesouros que acumulamos nesta travesía", afirmou a escritora, amiga do falecido. "Pode que sexan fráxiles os mastros dun mariñeiro de papel, pero as velas de Afonso insuflábanas a firme conciencia, a entrega, un afouto sentido da xustiza e una lealdade como non teño visto xamais. Dende o rexo compromiso e un fondo amor ofreceu a súa xuventude á militancia en defensa dunhas ideas, una cultura, un idioma e un país", salientou. A poeta lembrou as distintas frontes de activismo de Afonso Mendes, quen nos últimos tempos "soñaba prender nos ollos das súas alumnas e alumnos o mesmo amor que el sentía pola lingua e a literatura galegas, gozar da descuberta de novas paisaxes, novos sabores, gozar do amor e das amizades rindo con aquel seu riso de ollos chineses (…). Hoxe vendo esta resposta, esta admiración e este recoñecemento decatámonos que o menor dos secretos do país era o moito que tanta xente o quería". "Vai tranquilo, mariñeiro amigo, que nos nosos peitos habemos sempre custodiar a túa Ítaca", finalizou Yolanda Castaño. "Era rotundamente feliz e vivía unha vida plena" As de Alberto Pombo, amigo do homenaxeado, foron as últimas palabras. Compartiu as andanzas vividas, desde os corredores da facultade de Filoloxía até Lisboa. "Aínda que quixo quebrar a precariedade laboral a medula das nosas esperanzas, e aínda que quixo a represión matar os soños, non houbo valo que Afonso non saltase. Todo canto paso deu foi canto de amor a esta terra e a esta lingua milenaria. Diante do ostracismo, a firme ilusión dun revolucionario. Porque nunca a infamia poderá conter todo o amor", expuxo. Pombo cualificou Afonso de benaventurado, "era rotundamente feliz e vivía unha vida plena. Porque era xusto e bondadoso, nunca coñecín a ninguén con tantos amigos. Unha peza central en tantas frontes. E é que o privilexio da súa amizade soubo brindárnolo, con inmensa xenerosidade a todos e todas nós", engadiu. Recuperou a última vez que coincidiron, hai apenas uns días: "(…) quedamos, vivindo unha postadolescencia que nos fora negada, para ver adestrar o Dépor nos campos de Abegondo. Haberá quen non consiga entendelo, mais a felicidade era iso, as nosas mans apoiadas nun valado verde de metal. Falabamos e sorriamos. Eu propuxen xantar xuntos e Afonso, xa na tardiña, tiña que volver á Coruña por un compromiso. Ese día pasamos por Cambre, Oleiros, Culleredo, Abegondo e quen sabe. Xa nas Xubias, Afonso fixo unha chamada para cancelar os plans na Coruña. Pregunteille por que? E dixo: 'Quero estar aquí contigo, celebrando a nosa amizade'. Literalmente iso. Quen fala así? Só alguén a quen o amor e a xenerosidade lle é propia. Só alguén coa capacidade de facerlle sentir a un fillo único, coma min, que eu tamén tiven un irmán". Manter vivo o seu legado foi o propósito co que concluíu Alberto Pombo: "mudando a realidade, construíndo de baixo para cima", salientou, parafraseando a Afonso. O acto de lembranza rematou cun Grandola Vila Morena entoada polo conxunto das persoas que se reuniron na homenaxe e cos acordes da Marcha do Antigo Reino de Galiza, que saíron da gaita de Moncho do Orzán. [Nas imaxes, autoría de Borja Quintela, Patricia Fidalgo; centros florais; Yolanda Castaño e Alberto Pombo]
NOS_39820
Macron talvez non o verá con bos ollos, mais as tres faccións da dereita española (PP, Cs e Vox) alcanzaron un acordo para se facer co control do órgao do goberno da Asemblea de Madrid. Cs accederá á presidencia do parlamento rexional.
Vox dá até por feito que Ciudadanos pida expresamente o voto para a súa candidatura a presidir a Asemblea madrileña, dixo a súa portavoz, a ultra Rocío Monasterio, en declaracións á COPE. En realidade, e contra o afirmado pola escadra laranxa desde o 26M, Cs xa sentou na mesa negociadora con Vox. Aconteceu o pasado domingo e os interlocutores foron Ignacio Aguado, o ex PP fichado por Rivera, e a propia Monasterio. O acordo alcanzado esta terza feira foi confirmado polo secretario xeral do PP, Teodoro García Egea, quen explicou que o pacto se estende tamén á asemblea parlamentar de Murcia. Vox, avanzou García Egea, terá representación nas mesas quer da asemblea madrileña quer da murciana.
NOS_37468
A pandemia já matou 162 mil pessoas no Brasil.
Jair Bolsonaro (sem partido) voltou a minimizar os efeitos da pandemia Covid-19. Ele disse que o Brasil "tem que deixar de ser um país de maricas" perante o virus. Un virus que já matou mais de 162 mil pessoas, como informa o digital Catraca. "Tudo agora é pandemia, tem que acabar com esse negócio. Lamento os mortos, lamento. Todos nós vamos morrer um dia, aqui todo mundo vai morrer. Não adianta fugir disso, fugir da realidade. Tem que deixar de ser um país de maricas. Temos que enfrentar de peito aberto, lutar", declarou em um acto com empresários do turismo. "Vocês foram na lona nessa pandemia. Que foi superdimensionada", disse. Bolsonaro também debochou da possibilidade de o Brasil enfrentar uma segunda onda da covid-19, como já vem acontecendo na Europa. "Agora já começam a enfrentar o povo brasileiro com uma segunda onda. Tem que enfrentar, pô, é a vida. Tem que enfrentar".
NOS_51550
Persoal especialista pide reforzar a docencia e os cadros profesionais.
Cunha poboación de referencia de 70.000 persoas, o hospital do Salnés, en Vilagarcía, é o máis novo dos comarcais da Galiza. Mais a diferenza doutros, recoñece o seu persoal sanitario, "está moi ben comunicado, con Santiago a media hora e Pontevedra a 20 minutos". Contrapoñen o caso da Mariña ou Valdeorras, a hora e media do hospital máis próximo. Valdeorras, un hospital en declive: "Os especialistas veñen pasar consulta e marchan" Un dos servizos máis emblemáticos do hospital do Salnés é o de urxencias. "Son enormes en comparación con outros comarcais galegos, pero a dotación do resto de servizos hospitalarios non é proporcional. Ten limitacións de persoal en varios servizos; pero mesmo especialidades que traballan con cadros de persoal ao completo, non deixan de ser servizos pequenos". A falta de especialistas fai que as máquinas estean paradas durante quendas enteiras por escaseza de radiólogos que poidan asumir a interpretación dos estudos A realidade dos hospitais comarcais mudou desde a integración e xestión unitaria de todos os recursos sanitarios -primaria e especializada-, e acabou de transformarse coa creación das sete grandes áreas sanitarias. Con este novo modelo organizativo os hospitais periféricos comezaron a funcionar como "centros satélite" dos hospitais de cabeceira, sen "competencias nin autoridade" para decidir nin reter os recursos propios que viñan xestionando, aseguran desde SOS Sanidade Pública. Carencias en radioloxía Na actualidade, os comarcais acusan con máis forza unha falta de especialistas que atravesa todo o sistema sanitario e que afecta sobre todo tres grandes especialidades: medicina interna, traumatoloxía e radioloxía. Anxo Teixeiro exerce desde hai un ano no Salnés após botar seis anos en Ourense como radiólogo. "A Galiza conta con servizos de radiodiagnóstico en todos os hospitais. Todos dispoñen de equipos de radiografía, ecografía, mamografía e tomografía, mais só os grandes teñen resonancia. E todos comparten a carencia de persoal". Nin "exilio" nin "castigo": especialistas do hospital da Mariña piden reforzos estábeis Na práctica, di, esa falta de especialistas fai que as máquinas estean paradas durante quendas enteiras por escaseza de radiólogos que poidan asumir a interpretación dos estudos. "Mesmo realizando 'peonadas' -traballo extra remunerado- é difícil optimizalas". Hai dous meses tiñamos na comarca máis de 2.000 ecografías pendentes de realización, algunhas cun ano de agarda "No Salnés somos catro de seis, e un está de baixa". Iso afecta directamente os pacientes, que ven aumentar as esperas, e aos propios profesionais, queimados e sen capacidade para asumir o exceso de actividade. "Hai dous meses tiñamos na comarca máis de 2.000 ecografías pendentes de realización, algunhas cun ano de agarda". Estas cifras, asegura, levan ao Sergas a promover derivacións á sanidade privada. "Pero até teñen problemas para que os centros privados acepten externalizacións de ecografías, porque é unha técnica barata que rouba tempo e un beneficio maior". O Sergas derivou máis de 100.000 cirurxías á privada nos últimos cinco anos A falta de especialistas tamén condiciona as gardas e a calidade das probas. No Salnés e en Valdeorras as gardas xa se realizan en remoto. "É unha solución provisional parche que alivia os profesionais e garante a cobertura dos doentes". Sen carencias de persoal, o ideal, recalca Teixeiro, "sería poder revisar con calma as peticións de probas de imaxe, avaliar os antecedentes e facer estudos a pé de máquina, con supervisión inmediata por un radiólogo que poida axustar a cantidade de contraste, o número de disparos precisos, a radiación adecuada, a necesidade de máis probas ou non". Mais a tendencia nos servizos de radiodiagnóstico, debido á sobrecarga, é a realización de estudos "estándares, rutineiros, con menos adaptación á realidade clínica concreta de cada doente". "Non hai radiólogos. Fallou a previsión e a planificación" A falta de radiólogos que manifesta o Sergas é certa. "Non hai", confirma Anxo Teixeiro. "Non os atopan porque se fixo unha mala previsión da especialidade e porque ante a demanda, o persoal escolle quen lle ofrece mellores condicións e moitos van á privada". Coincide esta carencia con que se está a xubilar toda a xeración que nutriu na súa orixe o sistema de saúde. O devalo da poboación na Galiza levou o Goberno galego a reducir os cadros de persoal "E toda esa xeración que o deixa non se está a repoñer ao mesmo ritmo". Ademais, engade, o devalo da poboación na Galiza levou o Goberno galego a "reducir os cadros de persoal coa idea de que acabará sobrando persoal, mais non tiveron en conta que a medicina cambia e determinadas especialidades como a radioloxía teñen máis volume de traballo". E aumentan aos poucos as prazas MIR, mais esa suba non vai acompañada dunha maior e mellor capacidade docente".
NOS_29490
Implacábel observador, Cosme Torreiro non deixa pasar nen a primeira. E o rastrexa todo. As redes sociais, tamén.
Pois xa chega o final de campaña, e o esperado confirmouse: os medios hexemónicos intentaron respectar os desexos dos grandes partidos de manter unha campaña de perfil baixo, con pouca presenza na rúa e tampouco nos xornais, que mesmo nos últimos días recuperaron a Pokémon con certo intento de convertelo nun "todos son iguais" que resulta difícil de comprobar no día a día. Pero iso é o de menos, os intereses dos grandes editores son outros. E así como noutras ocasións pedían o voto con desespero, nesta pouca cousa, só denuncias contra o "populismo", como a fixo Roberto Blanco Valdés en La Voz, onde deixou caer que a estrema dereita de Le Pen "comparte moitas opinións" coa "estrema esquerda", que sen nomear xa podemos imaxinar a quen se refire. Non teñen límite as súas manipulacións. EunonManipulo Para loitar contra ela nos medios públicos naceu un blogue -eunonmanipulo-, feito polo propio persoal da TVG. No mesmo tamén se denunciou o que foi unha das características da campaña, o silenciamento do BNG. Até o punto de que o acto celebrado pola forza nacionalista na Praza do Obradoiro para queixarse da marxinación á que foi sometido polos medios públicos, pois en efecto, foi silenciada polos medios públicos. Pero o problema da prensa sistémica non é só de campaña. Estaba antes e seguirá despois. É cuestión de modelo e mesmo de concepto. Poucas cousas máis arrepiantes que un chío do Faro de Vigo onte onde se informaba do golpe de estado en Tailandia e engadían: "Os militares toman o mando para restaurar a orde". Tempos aqueles nos que se consideraba o xornalismo como un modo de denuncia...
NOS_22766
Critican que se use a "emerxencia sanitaria" para "branquear" a monarquía española.
A monarquía española anunciou a súa vontade de visitar Catalunya, Valencia, Illes Balears, Galiza e Euskal Herria. As formacións que fan parte da declaración de Llotja de Mar (Junts per Catalunya, Crida Nacional, PDeCat, CUP, BNG, Bildu, Esquerra, Mes Per Mallorca, Demòcrates de Catalunya) chaman a "a tomar parte nas mobilizacións convocadas para amosar o noso rexeitamento á monarquía". "É urxente dicir adeus á monarquía e construír as repúblicas dos pobos", indican nun comunicado conxunto. Estas organización considera que se está a empregar a "emerxencia sanitaria, social, económica e de coidados que estamos a padecer" para "branquear" o historial dos Borbóns. Un historial, denuncian, "cheo de denuncias de corrupción, a monarquía imposta polo franquismo pretendía visitar os nosos pobos para seguir dando pasos na súa campaña de imaxe". .
NOS_57512
Toca a pandeireta desde os dez anos, acompañada da súa poderosa voz. Labrega de Bastavales, angaiolou a Manu Chao co que compartiu escenarios en Francia, Barcelona e boa parte do territorio galego. Con máis de oitenta anos, Xosefa, a pandereteira máis brava, recibirá unha homenaxe o vindeiro día 13.
A grande pandereiteira Xosefa de Bastavales vai ter tamén a súa homenaxe neste Ano Bravú e será en forma de merenda-festa na Gentalha do Pichel o vindeiro 13 de agosto. Xosefa Bastavales é unha das figuras máis queridas do movemento bravú e, desde o seu Bastavales, onde coñeceu ao músico Manu Chao que a convidou a súa Feira das Mentiras, acompañou á mocidade máis brava nas súas viaxes en Castromil a Lyon e Barcelona. Mulleres "poderosas", en definición de Xurxo Souto, participarán na festa da Gentalha, algunhas tamén revolucionarias naquela explosión de rock rural e tradición explosiva que foi o bravú. Entre elas, Marisol Manfurada, Gharotas da Ribeira, Sofía de Labañou ademais da intervención estelar da propia Xosefa de Bastavales. Xosefa de Bastavales comezou con apenas dez anos a tocar a pandeireta nas foliadas que se facían na súa aldea do concello de Tordoia. Labrega de oficio, a voz e a pandeireta fixeron que a arte e a forza de Xosefa pegara ben co espírito bravo do novo rock galego. Con Mercedes Peón, Pinto d´Herbón, Susana Seivane, Fuxan os Ventos, Xurxo Souto, Cristina Pato ou The Chieftains compartiu escenario mais foi Manu Chao quen lle deu o definitivo empurrón que a levou a actuar canda el no Festival Internacional de Música de Francia ou en distintos concertos en Barcelona ademais de acompañalo en multitude de recitais por todo o territorio galego. A Xosefa, Manu Chao coñecéraa nunha festa na casa do pai, en Bastavales, a poucos metros da súa propia vivenda. A canción "Desaparecido", do propio Chao, vén da expresión que cada vez que se achegaba pola aldea escoitaba da propia Xosefa cando tardaba en regresar, ao chamar a atención da volta a casa do "desaparecido".
PRAZA_13941
Anunciono Mariano Rajoy, que precisa que esta ampliación inclúe unha "mellora" da axuda para dotar de máis posibilidades de atopar traballo aos parados de longa duración. "É o xusto", asegura.
O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, anunciou este martes que o Consello de Ministros do vindeiro 24 de agosto prorrogará -e con efecto retroactivo- o Plan Prepara, a axuda de 400 euros para parados de longa duración sen ingresos e inscritos en itinerarios de formación. "É unha axuda pequena, pero en calquera caso, mellorándoa, creo que ten o seu sentido, sobre todo nun momento tan difícil como este", indicou, tras conversar co rei de España en Mallorca. "Imos tentar que funcione mellor, porque o obxectivo fundamental é lograr a insercion laboral destas persoas" O xefe do Executivo matizou desta forma que o Goberno manterá a axuda, pero introducindo modificacións para mellorar a capacidade de inserción no mercado laboral dos seus beneficiarios. "Imos tentar que funcione mellor, porque o obxectivo fundamental é lograr a insercion laboral destas persoas, e isto produciuse pouco", explicou, para logo aclarar: "Non podemos desde este punto de vista darnos por satisfeitos e imos tentar que funcione mellor". O presidente do Goberno asegurou que "é xusto" aprobar a continuidade dunha axuda que beneficia a "as persoas que están en peor situación". Rajoy reiterou que aínda que o Goberno "está a tomar decisións complexas e moi difíciles, que non lle gustan a moita xente", sempre "tenta preservar a posición das persoas nunha situación moito máis difícil". "Estamos a falar de persoas paradas de longa duración, xente están no paro coas prestacións esgotadas e familiares ao seu cargo", engadiu. O Goberno tiña previsto que neste últimos seis meses de vixencia a axuda beneficiara unhas 125.000 persoas, cun custo aproximado de 300 millóns de euros. Con todo, estas previsións víronse superadas, cuns 500.000 beneficiarios, dos que ao redor de 200.000 cobran actualmente os 400 euros. A vixencia desta axuda, que foi prorrogada cada seis meses desde febreiro de 2011, finalizaba este 15 de agosto, o que levantara moita expectación, xa que até este martes o Goberno aseguraba que non tomara ningunha decisión. Durante os últimos días, políticos do PP e incluso membros do Goberno apostaban por renovar a axuda. Os sindicatos xa advertiron da súa cautela á espera de coñecer a letra pequena e as modificacións legais que se apliquen ao Plan Prepara.
NOS_34191
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) tratará con expertas e expertos a importancia de regular a Intelixencia Artificial, cada vez máis presente na nosa vida cotiá.
A Intelixencia Artificial (IA) está a remodelar o mundo e mudando a vida das persoas e da sociedade, converténdose non só nunha "tecnoloxía adicional", senón cada vez máis, nunha parte da vida cotiá das persoas ao permitir accións como interactuar co asistente dixital, pedir que reproduza a música favorita, empregar un texto corrector que axude a escribir un correo electrónico eficiente, ou utilizar aplicacións de navegación que desvíen á persoa usuaria tendo en conta o tráfico e as obras. En todo caso, para o director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), Senén Barro, "é a tecnoloxía máis transformadora xamais desenvolvida pola humanidade, cun impacto sen precedentes en todo o relacionado co social, económico, laboral e de privacidade". Co obxectivo de afondar na IA e no seu marco normativo, o CiTIUS realiza unha serie de encontros con expertos que se sumarán á 'Semana Europea pola regulación da IA'. Desde o CiTIUS consideran que, debido ao seu potencial e ás innovacións de alta tecnoloxía, "a IA pode achegar unha ampla gama de beneficios en todo o espectro social, económico e ambiental. Pero, ao mesmo tempo, e debido ao seu rápido crecemento e ao aumento das súas aplicacións e capacidades, implica riscos potenciais en eidos como a privacidade, a desigualdade, a opacidade na toma de decisións, a equidade e a parcialidade ou a seguridade". Regulamentación europea Consciente diso, e en liña coa súa preocupación por regular adecuadamente o desenvolvemento e o uso da IA, a Comisión Europea promoveu varias iniciativas para establecer os principios dunha IA segura e digna de confianza. En 2019, o grupo de expertos de alto nivel sobre IA presentou unhas Directrices Éticas para a Intelixencia Artificial Confiábel. Dous anos máis tarde, o 21 de abril de 2021, a Comisión Europea publicou un marco normativo para supervisar a IA, establecendo normas harmonizadas sobre o tema, finalmente chamada Lei de Intelixencia Artificial. Os Estados membros da UE tamén comprenderon que deben seguir o ritmo dos avances da IA. Moitos deles xa adoptaron estratexias a nivel estatal sobre a materia, mentres que outros están en fase final de redacción na actualidade. Dado que é esencial un enfoque da IA centrado en Europa, a UE puxo en marcha medidas para reforzar os mecanismos de coordinación e proporcionar análise e estudos mediante a creación de AI Watch, unha iniciativa da Comisión Europea para supervisar e facilitar a aplicación da Estratexia Europea para a IA.
PRAZA_14237
Queremos que nos represente un partido neoliberal ao estilo alemán, un partido socialista ao estilo francés, un partido marxista-leninista ao estilo soviético, unha Syriza ao estilo grego, un PNV ao estilo vasco, etc. Eu non sei o que estaremos dispostos a asumir, pero do que si estou segura é de que nos costa moito seguir un modelo propio e aceptarnos. No fondo hai un rexeitamento ancorado no adn contra a nosa idiosincrasia.
Dicía o profesor Barreiro Rivas nas súas clases de Pensamento Político que o himno galego era a demostración de que o noso país non tiña amaño. A súa teoría baseábase no feito de que o noso himno era como un laio, unha especie de lamento ao que lle faltaba a forza necesaria que requiren certas circunstancias de carácter excepcional que pegan como un látego sobre os países en determinadas ocasións. Momentos eses, nos que hai que botar peito unidos, facendo precisamente iso, país, piña, para entendernos, e así pulo a unha estratexia de defensa extremadamente necesaria, imperiosa. Dicía o profesor Barreiro Rivas nas súas clases de Pensamento Político que o himno galego era a demostración de que o noso país non tiña amaño De tal xeito que, mentres a Marsellesa, por exemplo, comeza dicindo: "Adiante, fillos da patria/ que chegou o día da gloria/ o sanguiñento estandarte da tiranía/ está xa erguido contra nós…", a letra do noso texto pondaliano nos dí: "Que din os rumorosos/ na costa verdescente/ ao raio transparente/ do prácido luar?…". E todo isto, tendo en conta a diferente musicalidade de cada versión, claro, porque no caso francés, préstase a cantar con ímpetu, a peito enchido, mentres que no caso galego, nese intre que pasa entre que non sabes se cruzar os brazos, erguer un puño ou poñer a man no corazón, xa se foi a primeira estrofa e con ela as gañas de acabar coa tiranía. E algo de razón levaba o profesor Barreiro cando tanto nos facía rir nas súas irreverentes clases. Quizais aquelas non fosen as horas de grandes leccións maxistrais pero de certo que se poden sacar interesantes conclusión ao fío de como está o panorama actual do noso país. Alguén todavía defende que o himno galego reflexa o ambiente social e cultural de Galiza como unha das súas máis importantes testemuñas. Abofé que si. Queremos que nos represente un partido neoliberal ao estilo alemán, un partido socialista ao estilo francés, un partido marxista-leninista ao estilo soviético, unha Syriza ao estilo grego, un PNV ao estilo vasco, etc Rumorosos poñémonos todos nestas horas decisivas en que contemplamos con angustia as últimas enquisas publicadas para as próximas eleccións autonómicas e vemos máis dun 40% de indecisos que non saben a quen votar, e que son decisivos. Nunca un abano tan multifacético –ou tan multiorgásmico, como diría o meu amigo Xoel López– se presentou aos cidadáns deste país para escoller. E, sen embargo, moitos todavía non saben que facer, non atopan un xeito gozoso de votar. Quizais non estamos perante un problema dos nosos políticos, nin tan sequera nun contexto de crise finisecular tardía, se non máis ben dun problema de carácter antropolóxico que arrastramos dende moito antes da dictadura franquista e que invade o líquido medular incluso dos máis comprometidos con esta Terra: non queremos ser quen somos. Queremos que nos represente un partido neoliberal ao estilo alemán, un partido socialista ao estilo francés, un partido marxista-leninista ao estilo soviético, unha Syriza ao estilo grego, un PNV ao estilo vasco, etc. Eu non sei o que estaremos dispostos a asumir, pero do que si estou segura é de que nos costa moito seguir un modelo propio e aceptarnos. No fondo hai un rexeitamento ancorado no adn contra a nosa idiosincrasia. Cando sexamos capaces de atopar a nosa propia personalidade, entón sí que poderemos ser quen somos, sen imitacións, sen complexos O noso himno non vai cambiar arestora. A letra de Pondal –que me perdoe aló onde queira que estea, pois non é a miña intención botarlle a culpa a un poeta–, non nos vai axudar moito, pero quizais poidamos cambiar a entonación, comezar a querernos un pouco máis, a aceptarnos tal e como somos en realidade, e querer así aos demais. Cando sexamos capaces de atopar a nosa propia personalidade, entón sí que poderemos ser quen somos, sen imitacións, sen complexos. Ata entón –e aínda que poidamos gabarnos de seguir cantando o himno con fe cega neste país– queda un longo camiño por diante porque o que non fumos capaces de amañar en séculos, non o imos arranxar agora en 50 días.
NOS_27376
O activista e autor do libro 'Que se Lixe a Troika' manterá unha xuntanza con movementos socias e ofrecerá unha conferencia este serán en Monte Alto.
A retroalimentación entre as experiencias de combate contra o réxime neoliberal e a presente crise que teñen lugar en Portugal e en Galiza centrará esta sexta feira o encontro que o activista João Camargo manterá na Coruña con diversos movementos sociais da cidade e a posterior palestra que ofrecerá para presentar o seu libro 'Que se Lixe a Troika'. Ambos actos terán lugar no Colexio Curros Enríquez, o primeiro ás 19:00 horas e o segundo ás 20:00. Joao Camargo é enxeñeiro medioambiental e xornalista. Traballou de profesor en Mozambique até 2010 e na actualidade é unha das caras máis coñecidas dos movementos de protesta portugueses. Membro de Precários Inflexíveis, foi un dos organizadores da manifestación do 15 de setembro de 2012 baixo o lema "Que se lixe a Troika, Queremos as Nossas Vidas" e da mobilización do 2 de marzo "Que se lixe a Troika, o Povo é Quem Mais Ordena", dúas das maiores marchas realizadas en Portugal nos últimos anos. Os encontros son abertos e foron convocados por varias organizacións, entre elas a CIG, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, a Asemblea de Desempregad@s, Ve-la Luz, BNG, Comités, Adega ou a Asociación de Veciñ@s de Monte Alto.
NOS_40055
Nestes catro anos houbo en Galiza máis de 6.000 expedientes de regulación de emprego, que afectaron a máis de 72.000 persoas.
Durante os catro anos da segunda lexislatura de Núñez Feijóo en Galiza rexistráronse máis de 6.000 expedientes de regulación de emprego (ERE), que afectaron a máis de 72.000 traballadores. Cifras máis que elocuentes do nivel de destrución de emprego que nestes anos sufriu o país e que deixou pegada en todos os sectores. Mesmo en 2016, ano no que desde a Xunta se reforzou a mensaxe de que a crise acabara, os EREs seguen a estar presentes: entre xaneiro e xullo, 297 expedientes de regulación de emprego e máis de 4.300 asalariados afectados. Os datos amosan que durante a segunda lexislatura de Núñez Feijóo (2012-2016), cada 2 días se rexistraron 8 EREs e cada día 52 traballadores de media estaban afectados por un destes expedientes. No 2012 foron case 29.000 as persoas asalariadas en ERE, en 2013 20.251 e en 2014 foron 12.152 traballadores os que en Galiza sufriron un destes expedientes. No 2015 esa cifra baixou a 6.267. Mais nos primeiros seis meses de 2016 o número de persoas afectadas por un ERE vai xa perto das 4.400. No que vai de 2016 a gran maioría dos EREs foron no sector da pesca, 133 de 297, o que supón o 45% do total. O seguinte é o sector servizos, con 96 EREs nestes seis meses, a industria con 41 e o sector da construción con 27 expedientes. Porén, en canto a número de traballadores é o sector da industria o máis afectado no que vai de ano, con 2.847 afectados. É o 65% de todos os traballadores que neses seis meses estiveron afectados por un ERE.
NOS_16786
O certame está aberto a traballos de temática libre pertencentes a calquera xénero xornalístico, publicados con sinatura ou pseudónimo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.
O Concello de Bueu concoca unha nova edición, a XVI, do premio de xornalismo Johán Carballeira. O certame está aberto a traballos de temática libre pertencentes a calquera xénero xornalístico, publicados con firma ou pseudónimo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018. Poderán concorrer a el todas as persoas físicas maiores de idade que presenten os seus traballos, os cales deberán ter sido publicados en medios impresos ou dixitais, escritos en lingua galega. Aceptarase un só traballo por autor. Non poderán presentarse as persoas gañadoras das dúas últimas edicións do premio. O premio terá unha dotación única de 1.500 euros. O Xurado estará composto por tres persoas vinculadas ao xornalismo galego, unha delas nomeada pola asociación colaboradora "Amigos de Johán Carballeira", máis un secretario que será un funcionario do Concello con voz pero sen voto. Terase en conta a orixinalidade no tratamento do tema, o emprego dunha linguaxe e estilo ricos, o rigor e a calidade técnica do traballo. Johán Carballeira foi un xornalista, poeta e político galego. Galeguista e republicano, após a vitoria da Fronte Popular nas eleccións de 1936 foi nomeado alcalde de Bueu. Co levamento franquista é detido e pasa varios meses preso na illa de San Simón. O 17 de abril de 1937 foi fusliado na Caeira (Poio). Desde o ano 1996 o concello de Bueu instaurou o Premio de Poesía Johán Carballeira para recuperar do esquecemento a súa figura como político e escritor e desde o ano 2003 o Premio de Xornalismo Johán Carballeira para traballos de temática libre pertencentes a calquera xénero periodístico.
NOS_15937
A selección galega Sub-19 de fútbol sala xa está nos cuartos do Estatal.
As seleccións galegas masculinas de fútbol sala Sub-16 e Sub-19 caeron no dobre enfrontamento ante Andalucía na terceira e penúltima xornada da fase de grupos do Campionato de España de Seleccións Autonómicas. Afortunadamente, a pesar da derrota, a Sub-19 certificou de forma matemática o boleto para os cuartos de final, mentres que a Sub-16 xogarase o pase hoxe nunha última xornada que promete ser todo tensión e emocións fortes. Con respecto aos menores de 19 anos, os rapaces dirixidos por David Pena perderon ante Andalucía nun encontro moi igualado e con numerosas ocasións para a Galiza, aínda que os locais acabaron facéndose co triunfo por unha mínima renda dun tanto a cero. Con este resultado, e a falta da última xornada da fase de grupos, o combinado andaluz fecha a súa clasificación para a rolda de cuartos de final como primeiro de grupo, mentres que a selección galega finalizará como segunda. Estremadura, Murcia e Castela e León fican sen opcións de avanzar no torneo. Movendo o foco até a Sub-16, esta, con seis puntos, medirase a Castela e León, que suma tres, mañá ás 10.15 horas cun ollo posto no Murcia-Estremadura. A Federación cambia o procedemento ante os positivos Importante novidade no fútbol galego. A partir de agora, e con base na resolución de 23 de marzo da Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial, a Real Federación Galega de Fútbol determinou que os positivos en Covid-19 nos distintos equipos xa non sexan causa para a suspensión de partidos. Isto significa que non se atenderán as solicitudes de aprazamentos motivadas por casos Covid-19 "sempre que se dispoña do número suficiente de xogadores ou xogadoras estabelecido no artigo 239 do Regulamento Xeral -"non poderá autorizarse a suspensión dun encontro salvo razóns de forza maior, e en ningún caso poderán invocar os clubs padecer enfermidade salvo que causen baixa simultaneamente 15 futbolistas"-, o que afectará non só o fútbol modesto, senón que tamén será norma no ámbito doutras disciplinas como o fútbol sala ou o fútbol gaélico. O 'play-off' da Terceira busca sede Esta fin de semana remata a fase regular da Terceira RFEF, que esta tempada dominaron claramente tres equipos: Polvorín, Ourense e Somozas, primeiro, segundo e terceiro clasificado con 65, 64 e 63 puntos, respectivamente, máis de dez sobre os seus máis inmediatos perseguidores, O Barco e Rápido de Bouzas, que suman 51. Xa que logo, aínda está por decidir o nome tanto do único conxunto que ascenderá de forma directa como dos outros catro que terán a posibilidade de loitar polo ascenso á Segunda RFEF nun play-off do que sairá un gañador que deberá disputarse a outra praza contra un rival doutra federación territorial. Esa fase de ascenso galega levarase a cabo nunha sede única, en formato de eliminatorias, tal e como marca a normativa da competición aprobada pola Federación Española de Fútbol, e para designar devandita sede a Federación Galega enviou un convite a todos os clubs do país para que os interesados poidan presentar as súas candidaturas, as cales serán analizadas por unha Comisión de Valoración que tomará a decisión final.
NOS_23340
Abrir os xornais en papel e atopar anuncios de sexo de pago segue a ser algo habitual. Malia que estas prácticas fomentan a violencia de xénero e a mercantilización da muller, os gobernos optan pola autorregulación dos medios e permiten que se contraten anuncios por palabras sen comprobar se estamos ante un caso de trata de mulleres. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 337 de Sermos Galiza.
"Os mesmos medios de comunicación que están a ofrecer como protagonistas das noticias importantes dos poderes económicos e políticos homes con traxe e gravata, ofrecen os anuncios por palabras con mulleres representadas como fragmentos de corpos mercantilizados ao servizo dos homes". Así responde Mónica Vidal, vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza, en relación aos anuncios de prostitución que seguen a recoller xornais en papel. Abrimos un deles e nas páxinas de anuncios por palabras atopamos a mercantilización de fragmentos do corpo da muller á que se refiren: "150 peitos", "120 peitos", "Peitos grandes". Alén da oferta de fragmentos dos corpos das mulleres, tamén observamos a alusión á nacionalidade como unha plusvalía ("húngara", "exipcia", "xaponesas"...) ou ben á idade ou situación sentimental das mulleres ("viúva", "corentona galega", "maduriña", "25 anos"...). Vidal explica que, aínda que o Colexio de Xornalistas non ten unha postura definida fronte á prostitución, se posicionoucos xornais que deixaban de publicar este tipo de anuncios. "En primeiro lugar", manifesta a vogal, "hai estudos que din que este tipo de mensaxes dificultan a empatía e polo tanto favorecen a violencia de xénero. Pero ademais estes anuncios contrátanse vía telefónica, é imposíbel saber se estamos ante unha prostitución libre -para as persoas non abolicionistas- ou ante un caso de trata de mulleres. Non hai ningún tipo de garantía de que non sexa unha fonte de financiamento en contra dos dereitos humanos", advirte. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 337 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_46692
A deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez vén de facerse eco dun novo informe que alerta da mala situación que atravesa a lingua
O Informe do Comité Consultivo do Convenio Marco para a protección das Minorías Nacionais alerta da desprotección que sofre o galego e da desconsideración do Estado español sobre a pluralidade lingüística. Así o advirte a deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez nunha iniciativa parlamentar na que chama a atención sobre o desamparo da lingua nas zonas de fala galega limítrofes con Asturias e León. O Comité Consultivo salienta no informe que o Estado debe incluír nos seus compromisos a promoción e a protección das linguas minoritarias como o galego. Deste xeito, empraza o Goberno español a adoptar medidas directas de promoción das diferentes realidades lingüísticas a través de canles de diálogo e comunicación coas entidades de defensa das linguas. Nese sentido, o BNG demándalle ao Executivo que "tome nota" das recomendacións do Comité Consultivo e adopte medidas de promoción do galego. A situación irá a peor, xa que o galego deixará de ser materia optativa no Bierzo, para pasar a ser considerada materia extraescolar "Esta situación empeorou após a aprobación da LOMCE. No Bierzo, o galego deixará de ser materia optativa para pasar a ser considerada como materia extraescolar", sinala Rosana Pérez na iniciativa parlamentar. A nacionalista exixe na iniciativa a anulación da LOMCE e critica "o bochorno que implica que informes internacionais de prestixio poñan en evidencia o enorme retroceso do galego". "O Goberno debería actuar con dilixencia", afirma Rosana Pérez, que considera que o Executivo debería comezar pola utilización correcta da toponimia oficial de Galiza e polo avance no uso do galego no ámbito da Xustiza.
NOS_17169
Un novo foco no centro de Salvaterra do Miño, que acaba de ser intervido pola Xunta, engade 42 novos positivos de persoas usuarias e 26 profeisonais de xeriátricos.
Con 86 novos contaxios, oito altas e cinco falecementos nunha xornada, segundo os datos da Consellaría de Política Social, as residencias de maiores chegaron na tarde desta terza feira, 27 de outubro, ás 340 persoas usuarias contaxiadas, 73 máis que o día anterior. O groso dos novos positivos responde ao foco de coronavirus detectado no centro de maiores de Salvaterra do Miño, que afecta 84 residentes –42 no día de onte– e 26 profesionais. Tras coñecerse a situación desta residencia xeriátrica, a Xunta anunciou a súa intervención e o reforzo do seu persoal, co obxectivo de "garantir a calidade asistencial" e a "correcta protección" da saúde tanto do colectivo residente como do profesional. Un equipo do Sergas foi desprazado ao centro para realizar un seguimento médico permanente sobre a situación e da correcta aplicación das medidas de prevención, seguridade e hixiene fronte á Covid-19 aprobadas pola Xunta. No cómputo de novos casos en centros de maiores non aparece, porén, o abrollo do que deu conta esta terza feira Rede, a federación galega de asociacións de familiares e persoas usuarias de residencias e da dependencia, no centro DomusVi de Ribadumia. Segundo esta fonte, 23 persoas deron positivo esta terza, até sumar 26 casos. Tras dar a coñecer o dato, a Rede acusa DomusVi de "conduta criminal nas súas residencias", con casos de coronavirus nun terzo delas, e culpa a empresa de operar, no caso concreto de Ribadumia, "sen EPI, sen control de hixiene, sen persoal suficiente, sen uniformes e sen reunións de comité de e saúde". No aumento de positivos si se contan os novos casos detectados na residencia pública de Nosa Señora das Milagres en Barbadás, que esta terza feira engadiu 19 novos positivos ao foco detectado a pasada fin de semana, até chegar ás 76 residentes afectadas. A respecto deste centro, o PSdeG presentou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que exixe á Xunta que dea conta no Parlamento das medidas preventivas e da situación dos cadros de persoal destes centros, sinaladamente no de Barbadás, así com dos "recursos, protocolos e actuacións levadas a cabo" e datos diarios de contaxios en cada un deles. As últimas cifras trasladadas desde a Xunta sinalan a residencia de Salvaterra de Miño, con 84 casos, como a que máis persoas usuarias ten afectadas polo virus, seguida da dos Gozos, en Pereiro de Aguiar, con 79, a de Nosa Señora das Milagres de Barbadás, con 76, e a de Nosa Señora dúas Anxos de Ribadavia, con 19. Atendendo aos equipos profesionais, os centros con máis contaxios son o de Pereiro de Aguiar, con 41, a residencia pública de Barbadás, con 36, e a de Salvaterra de Miño, con 26. En total, hai 209 traballadores e traballadoras afectadas por coronavirus nestes centros, dos que 52 casos foron detectados nas últimas horas. Nos centros galegos de atención a persoas con discapacidade hai na actualidade 17 persoas usuarias contaxiadas, das que 16 están na DomusVi Bóveda e 21 profesionais, 14, no mesmo local residencial de Bóveda. Onde está máis de 40% dos falecementos As residencias acumulan, segundo os últimos datos do Sergas, 170 dos falecementos por coronavirus na Galiza, aos que hai que sumar 213 casos máis que se produciron en centros hospitalarios pero cuxas vítimas eran residentes. Iso supón que 43,5% da mortalidade está vinculada a estes recintos, que na segunda vaga da pandemia suman xa 104 decesos e 549 casos, entre persoal usuario e profesional.
PRAZA_16592
O rexeitamento do 0,25% como límite da suba anual dos subsidios por xubilación e a necesidade de preservar o sistema público de pensións "dignas", protagonistas das mobilizacións impulsadas en Galicia pola plataforma MODEPEN e apoiadas por sindicatos e formacións políticas INTERACTIVO | 9 gráficos e mapas que amosan a realidade das pensións en Galicia
INTERACTIVO | 9 gráficos e mapas que amosan a realidade das pensións en Galicia GALERÍA | Mobilizacións en defensa das pensións pública Nova xornada de protestas masivas en múltiplas localidades galegas. O pasado 8 de marzo as concorridísimas manifestacións impulsadas polo movemento feminista ao abeiro do Día da Muller e da folga do 8M contribuíron a rachar un lugar común a respecto das mobilizacións cidadás galegas: a necesidade de centralizalas nun único punto do país para que sexan realmente numerosas e non atendidas unicamente por uns poucos centos de persoas. Este sábado a mobilización na defensa das pensións públicas tiña en Galicia ata 17 puntos de convocatoria e na maioría deles, especialmente nas cidades, a resposta foi masiva. Milleiros, decenas de miles de persoas por todo o territorio. A mobilización deste sábado, unha convocatoria a nivel estatal, estaba impulsada en Galicia dende o Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas, así como por diversas plataformais locais e apoiada polos sindicatos CC.OO. e UGT. Representantes destas centrais sindicais e diversos cargos de En Marea e PSdeG -entre eles, Luís Villares en Santiago, Gonzalo Caballero en Vigo e numerosos dirixentes locais de ambas formacións nas diversas localidades- uníronse a manifestacións e concentracións nas que, non obstante, abondaban as pancartas feitas na casa con lemas e consignas diversos, dende o rexeitamento á suba máxima do 0,25% anual imposta pola última reforma do sistema ata retruques ás acusacións de manipulación partidaria do movemento: "estamos xubilados, non aparvados", rezaba un cartel en Santiago. Un intre da concentración na Coruña / CC BY-SA Galiza Contrainfo O fondo destas protestas é a preocupación polas pensións do futuro, pero tamén polo feito de que as actuais pensións de xubilación "non garanten unha vida digna para as persoas maiores", explican dende MODEPEN. En Galicia, resaltan, "o 63% das pensións están por baixo do limiar da pobreza, a maior porcentaxe de todas as comunidades autónomas e dez puntos por riba da media estatal". "As implicacións éticas de deixar as persoas maiores na pobreza sone videntes, pero como a algúns gobernantes non lles preocupan, sinalamos tamén os efectos económicos: reduce a autonomía" tras a xubilación e "incrementa a demanda de servizos sociosanitarios". Participantes na manifestación en Vigo / Galiza Contrainfo Para este colectivo a "historia do desmantelamento do sistema público de pensións" non hai que buscala unicamente no actual Goberno de España, porque "vén de moi atrás", cando menos "da primeira vez que o goberno de Aznar meteu a man na caixa da Seguridade Social", pero "viuse moi agravada pola crise económica e as reformas laborais de 2010 e 2012, que abaratan o despedimento e precarizan o emprego", así como por "outras medidas antisociais" como o incremento dos copagamentos farmacéuticos ou os atrancos para o acceso a coidados públicos para as persoas dependentes. A manifestación a prol das pensións públicas, na Ronda da Muralla de Lugo / PSdeG "Goberne quen goberne, as pensións non se venden", "que non nos rouben as pensións" ou "a pensión é un dereito, non unha esmola", foron algunhas das consignas reiteradas por toda Galicia para sintetizar en concentracións e manifestacións unha táboa reivindicativa que MODEPEN encabeza coa necesidade de "manter o poder adquisitivo das pensións pública" e para iso, resaltan, rachar co "ridículo 0,25% de suba". Cómpre tamén, salientan, "denunciar a entrada en vigor o 1 de xaneiro de 2019 do chamado factor de sustentabilidade", o "aberrante recurso de adaptar a contía do cobro das pensións á esperanza de vida das persoas pensionistas". Concentración a prol das pensións en Ferrol / EU Ferrol "Tratar as pensións como dereito constitucional", "restablecer a xubilación ordinaria aos 65 anos", recuperar o subsidio para maiores de 52, poñer a lei de dependencia "en pleno funcionamento" ou establecer recursos para "eliminar a fenda de xénero nas pensións públicas" son outras das reivindicacións que, advirten, manterán no tempo porque "os xubilados non somos trapos". Mentres estas mobilizacións se desenvolvían o PP galego difundía a través das redes sociais as declaracións do ministro portavoz do Goberno central sobre as protestas, nas que ademais de defender a xestión do gabinete de Mariano Rajoy na materia, Íñigo Méndez de Vigo deu en insinuar que por tras desta convocatoria estaba a manipulación das forzas políticas da esquerda. "Isto é un atraco, mans arriba" foi unha das consignas máis repetidas nas protestas / Praza Pública
NOS_6107
Os concellos galegos suspenden en transparencia. É a conclusión do estudo da Rede local de administración pública (Rede Localis). E de transparencia falamos con Silvia Fraga, experta en xestión e deseño da imaxe política, institucional e empresarial.
O Estado español foi dos últimos na contorna europea en impulsar unha lei de transparencia, compartindo o vagón de cola con Chipre e Malta, lémbranos Silvia Fraga. Pode que non sexa unha lei perfecta, mais pon en valor que "é unha boa forma de empezar o camiño, un primeiro paso". Fai memoria e cita un estudo do Obervatorio nacional de participación política de 2013 que recollía como un 65,5% dos cidadáns crían que a calidade da información da administración pública era boa ou moi boa, e en paralelo un 63,5% deses mesmos cidadáns recoñecían non confiar nesa información. Unha situación que evidenciaba tanto unha fenda entre administración e cidadá como unha fonda desconfianza. Silvia Fraga é consultora de comunicación, imaxe e relacións públicas, así como experta en xestión e deseño de imaxe política, institucional e empresarial. Sitúa a transparencia como unha base que é imprescindíbel para construírmos "unha nova forma de facer goberno". Mais, advirte, córrese o risco de que se interiorice polas administracións a transparencia como un mero trámite, algo rutineiro e formal. "O mero feito de pendurar na web organigramas, docunmentos... non significa que unha administración sexa transparente", clarifica. 'Goberno aberto' É mais, explica, a transparencia é un dos tres alicerces para garantir o que se denomina 'open government', o goberno aberto. Ten que ir acompaña dos outros dous: participación e colaboración. "E neses dous, a verdade é que estamos aínda moi frouxos", recoñece, ao tempo que pon como exemplo neste campo os Estados Unidos, país onde Al Gore comezou a impulsar en 1992 outras formas de relación coa cidadanía aproveitando as potencialidades de internet. "Aquí aínda estamos moi lonxe do nivel de EUA ou dos estados nórdicos europeos", afirma Fraga, "mais mellorouse moito". Aínda así, amosa a súa sorpresa porque aínda haxa concellos en Galiza que non están nas redes sociais, "cando nelas está até o salón de peiteado da esquina, e non poden alergar que é algo caro...". Un cambio cultural Fraga fai fincapé no cambio cultural. "A cultura da transparencia ten que vir das dúas vías: das institucións, mais tamén da cidadanía". Nesta liña, recoñece a pexa de que moitas veces as redes sociais das administracións e institucións ´son unilateriais: "emiten mensaxes, información, mais non escoitan". Lograr que sexa bi-direccional é o seguinte paso a dar, un paso no que "os cidadáns temos moito que dicir".
NOS_36865
Francisco Jorquera Caselas preséntase ás eleccións como candidato á presidencia da Xunta polo BNG. A súa participación na política galega comezou hai máis de trinta anos cando militaba en ERGA e durante os últimos anos representou a Galiza como deputado parlamentar no Congreso español. Este ferrolán encabeza un proxecto político que define como "a única alternativa ao Partido Popular".
En varias ocasións asegurou que serán insubmis@s á política de recortes. No concreto, que supón ese compromiso? Até onde están dispost@s ao levar? No BNG estamos dispost@s a defender o autogoberno e a xustiza social até as últimas consecuencias e converternos nun dique de contención contra a política de recortes. Neste sentido, empregaremos todas as ferramentas posíbeis mesmo presentando recursos de inconstitucionalidade fronte ás políticas que sexan contrarias aos intereses de Galiza e das maiorías sociais. Asemade, empregaremos a mobilización social como resposta e chave perante os recortes. Fala de ampliar o autogoberno para avanzar cara á soberanía... "O noso obxectivo é construír unha fronte contra os recortes" O noso proxecto é claramente soberanista pois entendemos que a sociedade galega ten que ter capacidade de decisión sobre os seus recursos e sobre aquelas cuestións que lle afectan, para superar a crise. Porén, non constituiremos un goberno de gabinete senón que o BNG aspira a ser un goberno de praza pública, un proxecto aberto que conte coa participación da cidadanía, dos movementos sociais... O noso obxectivo é construír unha fronte contra os recortes para o que crearemos unha corrente en favor dun maior autogoberno máis sempre en chave soberanista. É evidente que o actual marco político-xurídico está esgotado como tamén o está a Constitución española, por tanto, deberá ser reformada e superada. Se foi posíbel mudala pola vontade de Merkel tamén o deberá ser pola loita dos pobos. "Poñer o país a producir" é unha das principais ideas da súa campaña. Como o farán posíbel? Galiza debe aproveitar as súas potencialidades pois é un país rico, mais que non ten goberno. Desde o BNG apostamos pola defensa dos nosos sectores produtivos, como o pesqueiro –un dos máis prexudicados polas políticas do goberno español e da Unión Europea--, o sector agrario ou o enerxético –un dos nosos sectores punteiros--. "O BNG defende un proxecto de país que produza e que non sexa dependente do consumo de produtos procedentes de fóra" Porén para poñer este país a producir serán precisas maiores cotas de autogoberno que permitan, por exemplo, que Galiza posúa un réxime tarifario propio e poidamos sacar un maior rendemento da nosa produción enerxética. Neste sentido, o BNG defende un proxecto de país que produza e que non sexa dependente do consumo de produtos procedentes de fóra. Están a pedir o voto das e dos traballador@s para @s defender desde o Parlamento... Pedimos o voto das maiorías sociais, dos traballadores, dos pequenos empresarios, autónomos... dos colectivos sociais máis prexudicados polas políticas do goberno de Núñez Feijóo, Rajoy e a Unión Europea. Así pois, confiamos en que o BNG sexa o seu referente de cara ao 21 de outubro. No seu programa comprométense a derrogar as leis de familia e de axuda á maternidade. Cales son as súas propostas en materia de igualdade? As políticas de igualdade que compoñen o noso programa electoral están nas antípodas daquelas que defende o Partido Popular. Os exemplos que citas reflicten a ideoloxía reaccionaria, integrista e patriarcal da dereita. Parécenos incríbel que non teñan botado do partido a Castelao Bragaña despois das súas declaracións, o que dá conta do seu concepto de igualdade. "As políticas do PP levan as mulleres a ser confinadas no fogar" As súas políticas levan as mulleres a ser confinadas no fogar e a encher o baleiro dos seus recortes en servizos sociais obrigándoas a coidar as persoas dependentes, as crianzas... No BNG reforzaremos os servizos públicos para rachar con esta lóxica e pularemos por un marco galego de relacións laborais a prol da igualdade real dos salarios entre mulleres e homes. Tamén así, defendemos o dereito ao aborto libre e gratuíto. As sondaxes apuntan que o BNG podería aumentar o seu número de deputad@s. Que resultado agarda o vindeiro 21-O? A sociedade galega testou como fracasada a xestión e o goberno do Partido Popular, mais preferimos non xogar co resultado. No entanto estamos certos de que se o voto nacionalista e de esquerda se concentra no BNG comezará un novo tempo.
NOS_58551
Só cando a programación ten como destino á xente miúda a Cidade da Cultura muda o seu aspecto ermo. A Consellaría de Cultura máis a Fundación que xestiona o complexo apostan polo gancho infantil para atraer visitantes e encher un espazo e unha programación adoecida dun proxecto claro.
O gran proxecto impulsado por Manuel Fraga como o complexo cultural que ía situar a Galiza no mapa mundial de referencia nos circuitos artísticos de nivel está a procurar na programación infantil a súa razón de existir. Crianzas e familias ofrecen as únicas imaxes dunha Cidade da Cultura poboada, fronte ao deserto habitual que evidencia o fracaso do modelo da Cidade da Cultura. Esta pasada fin de semana, a Cidade da Cultura acolleu un exemplo desa aposta dos xestores do complexo, o Music Way para nen@s. Concertos de Mama Cabra, Brodas e Alondra Bentley encheron de crianzas e familiares a estrutura do monte Gaiás. Mália o complexo de edificacións, a Cidade non é lugar indicado para a programación multitudinaria de eventos e, desta maneira mesmo as actuacións destinadas á cativada estase a empregar un o corredor cuberto existente entre dous edificios, espazo só soportábel en días de pouco vento. Alén dos concertos, karaoke para nen@s, obradoiros de reciclaxe e demáis actividades tiveron os máis pequenos da casa como albo. Rachar a tendencia de desplome en visitas Non foi esta a primeira programación para crianzas dos responsábeis da CdC. No que vai de ano xa van unhas cantas, conscientes de que este é un eido que combina dous aspectos do máis gorentoso: Garanten afluencia e o seu custo é relativamente baixo. O feito de ser a gran maioría destas actividades gratuitas e na fin de semana son o mellor aval para dar por seguro que a asistencia vai ser multitudinaria. De aí que na Cidade da Cultura sexa máis frecuente atopar na súa programación actos como teatro de monicreques para nen@s, actuacións de conxuntos de música para @s máis nov@s ou mesmo concertos de música clásica para crianzas; que outro tipo de exposicións e actos en principio máis acaídos a unha aposta museística que supuxo investimento de millóns e millóns de euros e que ía ser un reclamo a nivel internacional. En 2011 a CdC recibiu pola volta de 332.000 visitantes. Nos primeiros cinco meses de 2012, esa cifra ronda os 80.000. Apostas tan publicitadas e cun investimento tan alto como as de Gallaecia Petrea semellan non estar a atraer a tanto público como se agardaba dun evento que o propio conselleiro calificaba de "histórico" na súa inauguración, e mesmo afirmando que a cifra de visitas ía ser "unha bomba"
NOS_1786
A banda de Cerceda pioneira do rock galego presenta novo disco e, como a ocasión merece, vai ser con festa rachada. O disco chámase Camiñando entre serpes. A festa, o sábado na Sala Josfer, en Mesón do Vento.
Camiñando entre serpes é o título do novo disco de Zënzar, a xa lendaria banda que estivo nos inicios do novo rock galego e continúa en acción producindo música e festa. Para a presentación, a banda de Cerceda convoca unha xuntanza longa e festeira o vindeiro sábado na Sala Josfer, en Mesón do Bento (Ordes) no que coñecer ao vivo o décimo traballo de estudo do decano dos grupos de rock do país. Ademais dos membros de Zënzar, ao palco da festa subirán Vituco Neira, Miguel Duarte e Xan, os membros de Ruxe Ruxe que colaboraron no novo disco no que a banda quere simbolizar "unha época escura para a sociedade na que aquelas persoas que gobernan o mundo fano só para as grandes transnacionais, de aí tamén que esteticamente o disco sexa "escuro", predominando o branco e negro", o que se evidencia de maneira especial no traballo fotográfico de Juan L. Rúa que pon imaxes ao traballo musical. Camiñando entre serpes foi gravado ao vivo no estudo Escola da Rúa en Carballo, e coproducido con Javier Abreu. Será o novo traballo do grupo despois de que en 2013 recibira unha homenaxe de 18 bandas galegas no disco "Vai polos padriños. Tributo aos 25 anos de Zënzar", no que grupos como Ruxe Ruxe, Dios Ke Te Crew, Machina, Os Tres Trebóns, Invivo, Som Do Galpom, Raiba, K-Raxe ou Compañía do Ruído reinterpretaban temas dos de Cerceda. Festa longa A festa comezará ás 22:00 con foliada con "Os do Xalo", para, unha hora despois, entrar os Zënzar cos temas do seu novo disco ao vivo e rematar a noite, xa por volta das 00.30 con Xenderal. As entradas están dispoñíbeis en A Taberna, Mestura (Cerceda), Lume e Ferro (Carral), Miranda, Cultura para levar (Compostela) e Cristín (Ordes) ou no teléfono 615512023 e o correo [email protected].
NOS_8287
Alcaldías e portavocías locais da organización frontista anunciaron esta cuarta feira que reforzarán a súa presenza na Fegamp a través da presentación de senllas mocións nos concellos, o Parlamento e o Congreso español contra unha reforma "que liquida a maior parte dos concellos galegos" e pretende impor "un modelo vertical" en detrimento das políticas e servizos sociais.
En conferencia de imprensa, representantes locais e institucionais do BNG anunciaron que desenvolverán unha campaña de denuncia contra o anteproxecto de lei que prevé aprobar o Goberno español. Segundo @s nacionalistas, a reforma pretende instaurar o modelo local do Partido Popular e suporá "a liquidación da maior parte dos concellos galegos". O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que a proposta foi impulsada "polo PSOE" e partiu da modificación constitucional do pasado ano 2011. Aliás, o rexedor pontevedrés asegurou que a medida pretende "diminuír o gasto público, potenciar a privatización e enriquecemento dalgúns sectores" através da diminución de servizos sociais pola vía "do aforro". Neste senso, @s nacionalistas presentaron unha ofensiva institucional perante o que consideran un "retroceso democrático". As alcaldías do BNG reforzarán a súa presenza na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) através da presentación de mocións nos concellos, Parlamento e o Congreso español a fin de "frear", aseguraron, "un modelo lesivo" encamiñado "cara á un modelo local vertical donde as directrices da UE e do Estado se van a aplicar nos concellos", denunciou o alcalde de Allariz, Francisco García, ao impedir "que os concellos teñan políticas propias e unha actividade centrada no servizo dos cidadáns". Aliás, @s nacionalistas denunciaron a "invasión de competencias" que promove a reforma, ben como a blindaxe das deputacións provinciais fronte a autonomía municipal.
NOS_7997
"Instámolo a que realice esforzos diplomáticos enérxicos en apoio dunha solución negociada e un cesamento do fogo, estabelecer conversas directas con Rusia e explorar as perspectivas dun novo acordo de seguridade europeo aceptábel para todas as partes", dixeron representantes do Partido Demócrata nunha carta dirixida ao presidente dos EUA.
A facción progresista do Partido Demócrata dos EUA vén de demandar ao presidente, Joe Biden, unha negociación "directa" co Goberno ruso para "mudar o enfoque" do país a respecto da guerra de Ucraína, segundo recolle o xornal The Washington Post. Unha trintena de representantes do 'Caucus Progresista' do Congreso, encabezados pola membro da Cámara e líder deste grupo demócraya, Pramila Jayapal, trasladou a mensaxe esta segunda feira nunha carta enviada á Casa Branca na que urxen un "impulso diplomático proactivo". O obxectivo, defenden na misiva, é "redobrar os esforzos" dos EUA para "buscar un marco realista para un alto o fogo". Aliás, inciden na súa "preocupación" pola "falta dun diálogo regular" entre Washington e Moscova, toda vez que Biden esgrimiu en reiteradas ocasións que debe ser Kíiv o interlocutor. "Instámolo a que realice esforzos diplomáticos enérxicos en apoio dunha solución negociada e un cesamento do fogo, estabelecer conversas directas con Rusia e explorar as perspectivas dun novo acordo de seguridade europeo aceptábel para todas as partes", apuntaron. Tamén fixeron alusión aos "miles de millóns de dólares dos contribuíntes" que foron parar ao conflito e ás "ameazas de guerra nuclear de Rusia". Fronte a isto, e "dada a destrución creada por esta guerra para Ucraína e o mundo, así como o risco dunha escalada catastrófica", consideran que "é de interese para Ucraína, os EUA e o mundo evitar un conflito prolongado". Entre as persoas asinantes inclúense representantes demócratas como Alexandria Ocasio-Cortez, Cori Bush, Jamaal Bowman ou Mark Pocan. Porén, horas despois de facerse pública a carta e ante as críticas recibidas por parte do partido, Pramila Jayapal manifestou o seu "firme" compromiso coas accións da Casa Branca. "Permítame ser clara: estamos unidos como demócratas no noso compromiso inequívoco de apoiar Ucraína na súa loita pola súa liberdade e democracia fronte á ilegal e indignante invasión rusa. A diplomacia é unha ferramenta importante que pode salvar vidas, mais é só unha ferramenta", dixo.
NOS_10164
Charlie e Eli Sisters son dous asasinos a soldo. En plena febre do ouro, o Comodoro encárgalles dar caza Hermann Kermit Warm, un científico cunha fórmula química que pode revolucionar a procura do prezado metal. Pero non son os únicos que van tras el.
O cinema francés nunca foi moi proclive no xénero western, nin falta que lle fixo... Adaptacións das bandas deseñadas de Lucky Luke e do tenente Blueberry; algún que outro spaghetti westerns en coprodución europea, como a inclasificábel Sol vermello (que mesturaba samurais con vaqueiros); ou, máis recentemente, a produción de Luc Besson Bandidas, con Salma Hayek e Penélope Cruz, son algunhas das escasas achegas do país galo. Jacques Audiard (Un profeta, Dheepan) proba sorte no xénero adaptando a novela homónima do canadense Patrick Dewitt que narra a historia de Elie e Charlie Sisters, dous irmáns pistoleiros que se gañan a vida como asasinos a soldo en plena era da febre do ouro (1851). O seu mecenas habitual faise chamar "O Comodoro" (Rutger Hauer). O último encargo encomendado aos irmáns Sisters consiste en dar caza a un químico (Riz Ahmed) que semella ter dado cunha fórmula maxistral para atopar ouro dunha maneira eficiente e cómoda. A viaxe será longa e chea de perigos, e máis cando o vínculo fraternal camiña por unha corda bamba. Evita tomar atallos e desprega un gusto exquisito polos detalles, as costumes e os tempos mortos daqueles tempos do salvaxe Oeste nos que, malia o que pareza, non sempre andaban a tiros. Este estilo lembra un pouco ao que Delmer Daves (A árbore do aforcado, O tren das 3:10) impregnaba aos seus westerns, nos que primaba o drama e a psicoloxía das personaxes á propia acción que se presupoñía. Iso non quere dicir que Os irmáns Sisters prescindan da violencia, haina e está moi ben rodada (atención á secuencia inicial), senón que se trata dunha violencia que non deixa de ser algo inherente aos tempos que narra, pero que non é a base da historia. Joaquin Phoenix (Irrational Man) e John C. Reily (Stan & Ollie) dan vida á parella de irmáns. O irmá pequeno é agresivo, alcohólico e cobizoso. O maior a voz da razón, o que sempre saca as castañas do lume, pero está canso de matar e cada vez ten menos ganas de seguir no oficio. Tamén aparece en escena Jake Gyllenhaal no rol dun buscavidas que se cruza no camiño dos irmáns. Xunto coa presenza impagábel de Rutger Hauer, forman un reparto inmellorábel que debería ser suficiente para picar a curiosidade do gran público, incluso do que non guste do western... Conta ademais con banda sonora do gran Alexandre Desplat (dous veces gañador dun Oscar por O grande hotel Budapest e A forma da auga) así como dunha brillante dirección de fotografía de Benoît Debie (Enter the Void) que, coma nos spaghetti westerns, converte o deserto de Almería no Oeste americano, pero tamén os Monegros, a serra de Urbasa e incluso unha praia da Aquitania francesa fan de decorados naturais para este periplo fraterno ao longo da Norteamérica do século XIX. Un inesperado western crepuscular á europea, premiado no pasado Festival de Venecia co Premio á Mellor Dirección, cargado de humor, potentes interpretacións e un guión que atrapa e sorprende pola súa orixinalidade e cadencia. Con todo, probablemente pase desapercibido para moita xente que a obviará porque "non lle gustan as pelis do Oeste"... Fan mal. Les Frères Sisters (EUA 2018, 122 min.) Dirección: Jacques Audiard Guión: Jacques Audiard e Thomas Bidegain Fotografía: Benoît Debie Música: Alexandre Desplat Elenco: Joaquin Phoenix, John C. Reilly, Jake Gyllenhaal, Riz Ahmed, Rutger Hauer, Rebeca Root, Carol Kane
PRAZA_1973
Mulleres e homes que este sábado saíron dos campos húngaros relatan a súa odisea: "Tiñamos que ir acompañadas sempre dun policía para ir ao baño, golpearon varias persoas e dábannos de comer un anaco de pan cun pouco de queixo".
Desde Budapest A arbitrariedade do azar golpea a cotío os refuxiados, para ben ou para mal. Que as autoridades húngaras lles tomen unha pegada dactilar pode cambialo todo. A Zenah ocorreulle. Esta moza siria, pequena, tímida, riseira, embarazada de cinco meses, cóntanos a súa historia en susurros mentres camiñamos con centos de refuxiados máis nunha marcha iniciada desde o centro de Budapest. O seu marido obsérvaa con tenrura mentres ela roza o relato da súa viaxe. Zenah quería viaxar a Suecia, onde ten amigos e familia, e estudar na universidade. "Mesmo xa tiña a miña especialidade elixida", explica. "Cando quedei embarazada decidimos que era o momento de fuxir. A guerra está aí, sempre ameazando" "Cando quedei embarazada decidimos que era o momento de fuxir. A guerra está aí, sempre ameazando. Cruzamos o mar, chegamos a Europa, pasamos por varios países até chegar aquí. Este país non nos gusta, só queremos escapar de aquí canto antes", prosegue. Zenah e o seu marido foron trasladados polas autoridades húngaras a un dos campos de refuxiados do país. "Tratáronnos de forma humillante, coma se fósemos animais. Tiñamos que ir acompañadas sempre dun policía para ir ao baño, golpearon varias persoas, dábannos para comer un anaco de pan cunha pequena loncha de queixo", conta a nova. No campo tomáronlles as impresións dixitais, e iso cambiou os seus plans. O tratado de Dublín establece que os estranxeiros que entran clandestinamente na Unión Europea deben pedir asilo no primeiro país europeo que pisan, e permanecer alí. Até chegar a Hungría o paso de Zenah por territorio europeo non fora rexistrado oficialmente. Pero no momento no que as autoridades húngaras lle tomaron as súas impresións dixitais, o seu plan de viaxar a Suecia para construír unha nova vida quedou en suspenso. "Agora só nos queda Alemaña", di, xa que o goberno alemán suspendeu temporalmente o tratado de Dublín para levar a cabo o seu plan de acoller a até 800.000 refuxiados. "Así que no canto de ter un fillo sueco terei un fillo alemán", exclama. Xa case é de noite cando a marcha fai unha parada ao pé da estrada para comer algo. Percorremos un seis quilómetros, e o destino final da camiñada é aínda incerto. Aínda que din estar dispostos a chegar andando até a fronteira austriaca, os máis de 300 refuxiados que integran a marcha confían en que as autoridades húngaras terminen recolléndoos en autobuses, como ocorreu na madrugada do sábado cos 3.000 refuxiados que permanecían acampados na estación de tren de Keleti en Budapest. Uns metros máis atrás de Zenah están Mohamed e a súa muller. Ela porta un cartel no que se le "Queremos un autobús". Camiñan collidos da man e non levan máis que unha mochila ás súas costas. Do mesmo xeito que Zenah, queren que os xornalistas falemos do trato que recibiron nos campos húngaros. "Serbia ben, pero Hungría non. Varios amigos nosos foron apresados nos campos húngaros, recibiron golpes da policía" "Viñemos desde Turquía por mar, navegamos durante máis de catro horas, nun pequeno bote, despois cruzamos as montañas, camiñando durante máis de dez horas, e chegamos a un campo en Grecia. Alí o Goberno axudounos, púxonos un barco grande para chegar a Atenas e de alí saímos cara a Serbia. Serbia ben, pero Hungría non. Varios amigos nosos foron apresados nos campos húngaros, recibiron golpes da policía, e tomáronlles as impresións dixitais. Contáronnos que mesmo golpeaban a menores", denuncia Mohamed. O seu testemuño coincide co doutros refuxiados que tamén estiveron retidos en campos. "Camiñamos máis do que poidas imaxinar. Estamos tan cansos, moi cansos. Queremos axuda de calquera goberno", di. "Escapamos de Siria porque fai catro meses o Daesh [Estado Islámico] matou varias persoas na nosa cidade e tivemos que fuxir. Gústanos Siria, pero o Goberno e outros...", explica e non prosegue porque se emociona. "Con xornalistas imos máis seguros; Hungría non nos tratou ben" Xa é de noite e a marcha a pé avanza máis silenciosa. Algúns refuxiados portan carteis nos que advirten do perigo de viaxar nun camión frigorífico: 71 persoas morreron asfixiadas hai unha semana en Austria por viaxar nestas circunstancias. Refuxiados portan carteis advertindo do perigo de viaxar en camións frigoríficos Arredor do oito e media a policía húngara custodia os refuxiados e desvía a camiñada cara á estación sur de trens, situada a seis quilómetros e medio do centro de Budapest, de onde partiu a marcha. Un mozo húngaro que colabora coa organización Migration Aid explícalles que as autoridades levaranos en tren até a cidade de Gyor, e de alí á fronteira austriaca. Zenah sorrí aliviada mentres acariña o seu ventre. Con certo nerviosismo os refuxiados toman rapidamente asento nos vagóns do tren e mostran cos dedos o sinal de vitoria. Yasser, un palestino sirio procedente do campo de refuxiados palestinos de Yarmuk (Damasco) pide aos xornalistas que subamos ao tren. "Coa presenza dos xornalistas imos máis seguros. Hungría non nos tratou ben", di. Pouco despois o tren emprende a súa marcha. Desde un portelo Mohamed despídese de Martha, unha das voluntarias húngaras que estes días os acompañaron: "Grazas pola vosa solidariedade. Pero ao goberno húngaro non podo darllas", bérralse sorrindo. Ela asente e devólvelle o sorriso. Sabe que se o goberno húngaro cumpre a súa palabra, este sexa quizais un dos últimos trens que as autoridades deste país pon a disposición dos refuxiados.
NOS_19467
PCP mostra-se vitorioso pelo aumento da sua representação nas autárquicas e advoga pela "conquista de novas maiorias", enquanto o Bloco salienta a derrota "brutal" e "generalizada" da direita.
Os líderes do PCP e Bloco enfatizaram em suas avaliações, após conhecerem os resultados eleitorais, a queda do apoio ao governo de Passos Coelho. Embora o PSD recusou que as eleições autárquicas fossem extrapoláveis à política nacional, a verdade é que os resultados a respeito das eleições de 2009 representam uma forte pancada para a coligação no governo. PCP exige a demissão do Governo O secretário-geral do PCP, Jerónimo de Sousa, disse que a votação obtida pela CDU - coligação do PCP e Os Verdes - "constitui um fator de confiança e esperança de que é possível um outro caminho e um outro rumo" . @s comunistas veem nos seus resultados nas autárquicas "um estímulo para a luta" e acrescenta ainda que contribuirão para a "concretização de uma política alternativa". Desde o PCP estão cert@s de que a votação tem uma leitura nacional, embora o PSD o negue: "traduzem o isolamento dos partidos do Governo". Neste senso, instam a coligação que dá suporte a Passos Coelho -PSD e CDS-PP- a demitir-se com urgência. Jerónimo de Sousa amostrou sua satisfação pelos apoios obtidos e salientou o "significativo reforço da percentagem eleitoral" da CDU que para o PCP supõe a "confirmação da generalidade das posições de maioria e a conquista de novas maiorias", onde se incluem duas capitais de distrito recuperadas: Évora e Beja que se sumam a Loures, Grândola, Alcácer do Sal, Alandroal, Cuba, Vila Viçosa, Monforte e Silves. Bloco: o Executivo fica mais instável Por sua parte, o porta-voz do Bloco, João Semedo, disse que os resultados das autárquicas foram "a derrota da política da austeridade e do memorando da troika". Ao mesmo tempo, afirmou Semedo, a queda de apoio ao PSD deixa o executivo "mais instável". "Este governo sai de eleições com dois apoios: o Presidente da República e da troika, a quem se agarra como um náufrago a uma tábua de salvação", sublinham desde o Bloco. A formação, que assumiu a derrota em Salvaterra, considerou que obteve também "resultados positivos", como a eleição de vereador@s em câmaras onde antes o Bloco não tinha representação como Torres Novas, com a eleição de Helena Pinto, e Portimão, com a eleição de João Vasconcelos.
NOS_57083
A piques de se cumpriren dúas semanas do inicio da protesta, os operarios agradecen as mostras de solidariedade e critican a política empresarial de PSA-Peugeot.
Manuel Domínguez inicia esta segunda feira a sexta xornada de xexún. Secretario da sección sindical da CIG-Citroën, conversa con Sermos Galiza con voz débil. "Os días vanse notando", afirma, embora recoñecer non saber "moi ben como estamos fisicamente" por mor da negativa da empresa a permitir o acceso de persoal sanitario para que os dous sindicalistas sexan revisados. Até o de agora ningunha persoa da dirección de PSA-Peugeot Citroën pasou polas instalacións do servizo médico da factoría para se preocupar polo estado de saúde d@s traballador@s que encetaron a folga de fame o pasado 1 xullo. E van tres persoas relevadas após sufriren importantes mermas por mor dun período tan longo sen se alimentar. A última en ser trasladada foi Ernes Rodríguez quen o 18 de xullo sufriu un "golpe de calor", segundo fontes sindicais, polo que tivo que abandonar as instalacións e acudir ao Hospital Xeral (Vigo) onde lle fixeron as correspondentes probas médicas. A folga de fame indefinida acordada pola executiva da CIG-Citroën ten por obxecto reclamar a readmisión de Paco e David. Dous operarios despedidos aos que lles foron atribuídos, por parte da empresa, incumprimentos en materia de seguridade. Desde a central nacionalista afirman que a decisión de Citroën a respeito dos dous operarios visa "instaurar o medo" na factoría onde en poucas semanas terán lugar as eleccións sindiciais e deixar claro, din, que "aquí non se discute nada". Neste senso, desde a dirección de PSA-Peugeot Citroën afirmaron non valorar a súa readmisión e mesmo os acusa de teren desenvolvido de maneira voluntaria os incumprimentos na seguridade dalgúns vehículos. Un despedimento "disciplinario" que desde as centrais sindicais coidan excepcional por non se ter producido en anteriores ocasións. "Nunca se tomou unha medida tan drástica sen existir sancións previas", afirmaron ao comezo da folga. Mostras de solidariedade A piques de se cumpriren dúas semanas de protesta, as mostras de solidariade "continúan a chegar", afirma Domínguez. "Correos, mensaxes, whatsapps" que lles envían outras organizacións sindicais "do país e de fóra del" mais tamén desde outros conflitos como o da recollida de lixo de Lugo onde o comité de folga lle transmitíu o seu apoio nun comunicado. "Estamos moi agradecidos", sinala Manuel Domínguez, "e dannos moito ánimo para seguir". Mostras de solidariedade que se suman ás concentracións que teñen lugar diariamente ás portas da propia factoria e nas que este sábado se podían ler cartaces denunciando a política de recursos humanos desenvolvida polo seu director, José Manuel Fernández Cedrón de quen din "foi xefe nacional da OJE", Organización Juvenil del Movimiento Nacional Franquista. "Antes, como agora: actúa como un fascista", podíase ler nun dos cartaces da concentración. "A min o que me preocupa", di Domínguez, "é que unha persoa que está á fronte de recursos humanos non teña delicadeza para xestionar con humanidade". O secretario da sección sindical da CIG-Citroën denuncia "a situación na que nos atopamos os traballadores" da factoría onde, di, se está a espallar "o medo". Manifestación Esta terza feira desde a CIG convocan unha manifestación solidaria que sairá ás 20.00h da Praza de América e rematará ás portas de Citroën. Ao mesmo tempo a central sindical nacionalista mantén os repartos informativos e as concentracións diarias diante da fábrica.
NOS_3950
Nesta nova parada na serie de perfís dos e das principais cabezas de lista rumo ao 25-S, facemos un breve percorrido polas máis de trés décadas de experiencia política do candidato socialista á presidencia da Xunta de Galiza.
No seo do PSdeG, como no conxunto do PSOE a nivel estatal, as "baronías" –os e as principais referentes institucionais a nivel territorial–, xogan un peso determinante. Ou, no caso galego, xogaban. Xaquín Fernández Leiceaga (1961) é o candidato socialista á presidencia da Xunta de Galiza non xa sen contar co abrigo dos principais baróns, senón coa súa indisimulada oposición. Incluíndo sonoros plantóns durante plena campaña electoral. A súa vitoria nas primarias socialistas fronte a Méndez Romeu foi inesperada A vitoria de "Xocas", como popularmente se coñece a Leiceaga, nunhas apretadas primarias fronte ao veterano Xosé Manuel Méndez Romeu, foi toda unha sorpresa. Se ben Leiceaga contaba co apoio da xestora galega, comandada polo sector leal ao ex secretario xeral Xosé Ramón Gómez Besteiro, e coa beizón da dirección federal e do propio Pedro Sánchez, sobre o terreo Méndez Romeu atesouraba o aval de pesos pesados internos como o vigués Abel Caballero ou a ferrolá Beatriz Sestayo, e concitou o apoio de familias tan dispares como a do ex ministro Francisco Caamaño ou o ex secretario xeral Pachi Vázquez. A súa inesperada designación como cabeza de lista pode acabar sendo a principal das súas vitorias neste proceso electoral, sendo que as enquisas apuntan a que a coligazón En Marea podería dar o sorpasso relegando a bancada socialista á terceira posición. No entanto, a súa travesía interna até a nominación describe un dos principais trazos que definen a Xocas: a tenacidade. De Leiceaga chama tamén a atención a súa discreción, que linda cunha timidez intermitente. Porén, este doutor en economía (USC), cun brillante currículo a nivel académico, ten no seu haber unha experiencia política de máis de tres décadas, que o forxan como un cadro experimentado desde a militancia base até a postulación á Presidencia da Xunta de Galiza. Nada menos. Ex nacionalista O socialista non é o seu primeiro carné. Militou no nacionalismo desde o seu paso por Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), organización estudantil da que chegou a ser secretario nacional en 1981, e a súa primeira afiliación política foi no BNG, ao que se incorporou na súa mesma fundación en 1982. Nas dúas décadas que fixo parte do Bloque, que abandonaría en 2002 coincidindo co relevo de Xosé Manuel Beiras na portavocía nacional, asumiu diferentes responsabilidades, salientando o seu papel como tenente de alcalde en Noia, concelleiro en Compostela como parte do primeiro bipartito con Bugallo ou a secretaría de finanzas nacional do Bloque. Antes do PSdeG,Leiceaga militou no nacionalismo galego máis de vinte anos Após abandonar a fronte nacionalista, en cuxo interior fixo parte do colectivo Unidade Galega –capitaneado por Camilo Nogueira–, tardou apenas un ano en se enrolar no PSdeG, que o reincorporou na política municipal compostelá como superconcelleiro de Facenda e Orzamentos. Unha viraxe que o marcou durante anos, sendo obxecto de airadas críticas desde o nacionalismo. Home de confianza de Emilio Pérez Touriño foi tamén deputado no Parlamento galego de 2005 a 2012, chegando a exercer de voceiro do grupo parlamentar. Reptos A súa traxectoria desmente con feitos ese perfil aparentemente apoucado e gris. Porén, o repto que encara rumo ao 25S é duplo. A nivel externo, impedir o sorpasso e manter a marca galega do PSOE como segunda forza. E a nivel interno, sobrevivir –sexa cal for o resultado– ás tramas palacianas que xa están a armar os baróns para se cobrar a súa cabeza no congreso do PSdeG no que se elixirá nova secretaría xeral. En ambos os dous planos, o reputado economista terá moi difícil cadrar as contas.Con todo, infravaloralo pode saír caro, como aprendeu ás bravas o indómito Méndez Romeu.
NOS_37722
A xustiza condenou a empresa eléctrica por talar milleiros de árbores sen consentemento d@s propietari@s coa desculpa de manter a rede eléctrica. @s veciñ@s cren que pode servir de exemplo.
Milleiros de árbores taladas en montes de Coirós e Ourovello (Paderne) coa desculpa de que había que ampliar a franxa de servidume baixo as súas liñas eléctricas. Centos de carballos, eucaliptos, castiñeiros, piñeiros ou amieiros cortados por decisión unilateral de Unión Fenosa en fincas pariculares deses montes sen permiso dos seus propietarios. Foi hai catro anos, en 2010, e a veciñanza revoltouse contra o que entenderon como unha agresión en toda regra. A Audiencia provincial da Coruña veu darlles a razón, condenando a Gas Natural a pagar máis de 64.000 euros en concepto de "danos e prexuízos", unha cantidade á que hai que acrescentar os intereses. A xustiza, nunha sentenza ditada o pasado mes de maio, entende que a empresa hidroeléctrica fixo "unha corta unilateral de forma extralimitada e invadindo propiedades privadas". Lamentan que as súas protestas e denuncias ante a Consellería non fosen atendidas e que tivo que ser a xustiza quen lles dea a razón Estes veciños e veciñas lembran como o que "empezou como traballos para limpar" o monte derivaron nunha "desfeita: arrasaron con todo o que se lles puxo por diante. Non respectaron nin flora, nin fauna, nin ríos, nin restos arqueolóxicos...". A Xunta, "nin caso nos fixo" A veciñanza afectada botou, afirman, meses denunciando eses feitos perante a compañía, os concellos ou a propia Xunta de Galiza. "Puxéronse de parte dos poderosos". Engaden: "A ningún veciño de Ourovello ou Coirós nos regalaron o monte, costou suor e sangue". Lembra como en setembro de 2010 "cuadrillas de madeiristas entraron a saco" en fincas e plantacións para talar árbores nos citados montes. Unha actuación que, apuntan, tamén se deu noutros concellos desta comarca de Betanzos. Agora, queren que se coñeza a decisión xudicial: "Non todos os días se lle gaña un xuízo a un poderoso tran grande", lembraba esta segunda feira un dos veciños.
NOS_48908
Persoal do sistema de saúde ou das residencias, labregas, persoal de Correos ou caixeiras e repoñedoras de supermercados forman parte dos denominados "servizos esenciais". Nós Diario conversa con algunhas destas traballadoras sobre o seu día a día durante a emerxencia sanitaria. Elas piden o apoio da cidadanía para realizar o seu labor e aseguran que o esforzo común axudará a paliar os efectos do coronavirus.
Loucura. É a palabra que empregan todas as traballadoras de superficies comerciais para describir o ambiente dos primeiros días após o decreto do estado de alarma. "Nunca vira o almacén baleiro, esgotárase todo", lembra José Manuel López, transportista da cadea Froiz na área de Lugo e A Coruña. "Foi horroroso, caótico", asegura Nieves Montes, traballadora nun Gadis da Coruña e delegada de CCOO. "Semellaba que ía rematar o mundo, que non habería un mañá, a pesar de que as autoridades aseguraban que non existe a posibilidade dun desabastecemento", puntualiza Carlos Méndez, persoal doutro comercio da empresa na urbe herculina e delegado da CIG. Semellaba que ía rematar o mundo, describe Carlos Méndez Marta García, empregada nun Froiz en Ferrol, engade que o ambiente no día a día é "tenso". "Ao principio a motivación de moitos era encher o carro, mercando de forma desmesurada. Tratamos de manter os estantes cheos para cando se abran as portas, pero non sempre é posíbel", relata. Naqueles días de marzo, o persoal botaba en falta protocolos ou material de protección para previr contaxios. "Colleunos a todos fóra de xogo. Vímonos desbordados e houbo compañeiros aos que lles cursaron a baixa, persoal de risco ou traballadoras embarazadas", di Marta García. Colleunos a todos fóra de xogo, vímonos desbordados", relata Marta García "As medidas das autoridades sanitarias tampouco estaban claras", detalla Nieves Montes. "Comezamos coas máscaras e as luvas e instaláronse pantallas de metacrilato nas seccións en contacto máis directo co público, como as caixas", engade. Os comercios da compañía contan tamén con termómetros dixitais, e ofrecen á clientela xel desinfectante e luvas na entrada dos estabelecementos. "Desde a CIG insistiuse bastante, e agora os transportistas temos luvas e xel desinfectante", di José Manuel López. O persoal foi divido en dúas quendas hai uns días, e el reparte na de mañá. "Antes traballaba as oito horas e o xantar coincidíame en ruta sen ter onde parar", explica. Andamos cunha botella de auga con xabón para lavar as mans, di José Manuel López José Manuel López indica que o principal problema para os transportistas é o feche dos estabelecementos nos que descansan. "Andamos cunha botella de auga con xabón para lavar as mans, e teño compañeiros que reparten en Madrid ou que cruzan a fronteira portuguesa e levan con eles o camping gas", conta. Concienciar a clientela A febre adquisitiva descendeu co paso dos días, así como ritmo da reposición e baleirado dos estantes. Porén, na véspera do Xoves Santo regresou a vertixe. "A clientela mercaba como se fósemos fechar para toda a vida e o sábado volveu acontecer", asegura Carlos Méndez. O persoal acusa o estrés e a ansiedade no día a día laboral. "A sobrecarga de traballo continúa a ser un problema", di Nieves Montes. Nos comercios, as compradoras responden ás medidas de seguridade, afirma Montes, mais en ocasións hai quen se nega a acatar os protocolos. "As compañeiras na caixa piden por favor que se garden as distancias e respóndenlles de malos modos", lamenta Méndez. Desde os comercios, o persoal pídelle á clientela que planifique as súas compras e que trate de concentralas para minimizar as saídas e o contacto. "Realmente fai falta ir á compra todos os días?", cuestiona José Manuel López. Temos medo ao contaxio, nós tamén convivimos coas nosas familias, afirma Marta García "Temos medo ao contaxio, nós tamén convivimos coas nosas familias", expón Marta García, quen lembra que para evitalo cómpre "a colaboración de todos". O persoal tamén reivindica o seu labor antes e durante a pandemia. "Queremos que se recoñeza, que nos traten realmente como servizos esenciais", engade García. "Coido que esta situación ten que facernos recapacitar á Xunta, a nós e aos consumidores, e quero lembrar aos empresarios que os traballadores son esenciais máis alá da epidemia da COVID-19 cando regulen os horarios comerciais", afirma Nieves Montes. O que queda da compra Ángel Caldelas e Ricardo Méndez traballan en Urbaser, a empresa que xestiona a recollida do lixo no municipio de Santiago de Compostela. Eles recollen os restos das compras dos fogares. "O traballo é o mesmo, pero coa incerteza cando manipulas as bolsas, porque non sabes se nas casas haberá algún contaxio", explica Ángel Caldelas. O traballo é o mesmo, pero coa incerteza cando manipulas as bolsas, apunta Ángel Caldelas Cos comercios fechados o nivel de residuos descendeu, a pesar do claro incremento do xerado nas casas. "Déixanse abertas as portas dos contedores porque os primeiros días, sobre todo, atopabamos todas as bolsas ciscadas ao seu redor", conta Ricardo Méndez. O panorama que percorren nas súas quendas é o dunha cidade pantasma. Ángel Caldelas, que traballa en horario nocturno, apunta que nas noites das quintas feiras "xa non tes que pedir á xente de festa que deixe pasar o camión". "No descanso, tentamos achegarnos a algunha máquina expendedora, pero non sempre é posíbel", di Ricardo. Todos colaboramos e todos sermos heroes cando isto remate, asegura Ángel Ambos os dous lembran a importancia do seu labor a nivel sanitario. "Sanitarios, forzas de seguridade, persoal de supermercados, produtores, nós e quen queda na casa; todos colaboramos e todos seremos heroes cando isto remate", asegura Ángel.