ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_21273 | A Asociación de Actores e Actrices de Galicia vén de convocar os XX Premios de Teatro María Casares. O prazo de inscrición remata o 11 de xaneiro. | A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) convoca os XX Premios de Teatro María Casares, cuxa gala de entrega se celebrará o vindeiro 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Poderán participar todos os espectáculos de teatro de actor en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2015 e o prazo de inscrición iníciase este martes 22 de decembro e pecha o 11 de xaneiro. Por vez primeira, o proceso tanto de inscrición como de votación realizarase integramente a través da rede. Os Premios de Teatro María Casares entregáronse por vez primeira en 1997 e no vindeiro 2016 chegarán á súa vixésima edición sendo o gran escaparate do teatro e a gran festa para todos os profesionais do sector. En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario. Durante a gala, que se celebrará o 30 de marzo, entregarase o Premio de Honra Marisa Soto e darase a coñecer o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro. |
NOS_33013 | Boiro é a única vila do Barbanza sen porto, pero nos pasados Premios Martín Códax da Música tres das dezaseis estatuíñas que estaban en xogo foron rematar alí. Casualidade? Por suposto que non. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 259. | Boiro é unha localidade costeira de 19 mil habitantes, catro galerías de arte, máis dunha ducia de bandas musicais, moitas delas destacadas no panorama galego e estatal. É o caso de Triángulo de Amor Bizarro, Agoraphobia, The Lákazans, Sonia Lebedynski, Sabela King & The Heartbreakers, Barahúnda e moitos outros. Este abrollar manifestouse este ano nuns Premios da Música en que Agoraphobia foi nomeada a mellor banda de rock; Sonia Lebedynski a mellor en canción de autor; e a Pousada das Ánimas o mellor local de música ao vivo de Galiza. E non só: Triángulo de Amor Bizarro neste 2017 colleitou importantes premios a nivel estatal, como o de mellor disco do ano, e é unha das principais bandas de rock do momento, sendo cabeza de cartel en multitude de festivais. E logo está todo o universo The Lákazans, banda de blues que está a xirar por toda a península, con varios grupos que comparten compoñentes e que se moven arredor da música americana, desde o blues até o soul ou o folk, como Andhrea & The Black Cats, Sabela King and The Heartbreakers, Cachas & Cousins e algúns máis. [Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 259, á venda na loxa e nos quiosques habituais] |
PRAZA_18336 | As actividades económicas de menor valor engadido, están obrigadas a competir nun mercado onde sempre vai a haber algún outro provedor disposto a producir máis barato, feito que arrastra cara abaixo dos salarios, e cara arriba á flexibilidade laboral e ambiental. | O peche de Alcoa, e o consecuente despido de todas as persoas que alí traballan é unha nova tráxica para a economía do País que encerra o colapso do modelo de explotación ideado no marco dos anos 70. O desenvolvemento da siderúrxica Alcoa é parello á evolución do mercado eléctrico galego. Entre 1975 e 1980, Galiza viu multiplicado por dous a súa potencia eléctrica instalada nunha operación de longo percorrido, iniciada xa nos 60 coa construción de grandes centrais hidroeléctricas. A presenza das reservas de lignito, foi a circunstancia ecolóxica necesaria para sumar ao impulso dos 60 a potencia en xeración eléctrica das centrais térmicas de As Pontes e Meirama. O capital do Banco Pastor e o do Estado puxeron os alicerces que faltaban para ampliar a base material (ecolóxica) de un modelo de desenvolvemento orientado á exportación de torrente eléctrico. Así pois, Galiza comezaría a exportar a partir dos anos 80 unha porcentaxe nunca inferior ao 40% de electricidade. Ao redor de un 20% da enerxía eléctrica xerada estaba destinada á planta de Alcoa. Tal foi a intensidade coa que se procedeu á extracción de carbón que as minas galegas foron esgotadas en a penas 30 anos, facendo imprescindíbel a importación de carbón. Un feito que nos obriga a reparar na velocidade á que o sistema capitalista está a esgotar os recursos naturais. A fabricación de aluminio precisa dun emprego intensivo en bauxita, electricidade e man de obra. Mentres a bauxita era importada de Latinoamérica, os galegos e as galegas poñiamos a man de obra e o torrente eléctrico para a fabricación de un insumo escasamente procesado que podemos considerar unha commoditie, dado que Alcoa vende aluminio en estado puro, co consecuente baixo valor engadido resultante da produción. Componse, desta forma unha lóxica extractivista que pon os nosos recursos naturais e humanos á disposición dos mercados estranxeiros, mentres os maiores rendementos fican en mans de unha multinacional. As consecuencias ecolóxicas, sen embargo, fican enmarcadas en territorio galego. A bauxita contén como máximo un 30% de aluminio, o que significa que de cada 3 toneladas importadas menos de unha remata convertida en aluminio, e máis de dúas convértense en residuos industriais. Xunto co impacto ambiental da produción eléctrica, os desperdicios industriais obtidos supoñen un desprazamento do custo ambiental do sistema capitalista desde os centros metropolitanos ás periferias globais. No ámbito económico, pola outra banda, o caso de Alcoa é o efecto dun escenario global onde o carácter estatal dos mercados laborais contraponse coa internacionalización do capital financeiro. Como consecuencia, coa fin de atraer investimentos, as actividades económicas de menor valor engadido, están obrigadas a competir nun mercado onde sempre vai a haber algún outro provedor disposto a producir máis barato, feito que arrastra cara abaixo dos salarios, e cara arriba á flexibilidade laboral e ambiental. Como última nota: Que vai acontecer con ese 20% que, de pecharse Alcoa, imos producir de máis? Como conxectura, temo que o drama laboral de Alcoa se repita en moi pouco tempo no sector eléctrico, posto que unha grande cantidade de enerxía eléctrica xerada vai resultar innecesaria. Publicidade |
PRAZA_18934 | O Sergas inspeccionou o psiquiátrico de Conxo no verán de 2021, un mes despois da segunda visita sorpresa do Mecanismo de Prevención da Tortura ao centro e cando xa pasaran catro anos dende que este departamento do Defensor del Pueblo sinalara eivas que o Parlamento pediu solucionar en tres ocasións. A inspección seleccionou unha mostra de 39 persoas entre as 198 ingresadas, entre elas "10 dos 17 que foran obxecto de contención mecánica", segundo o "informe auditoría", que consta de 4 páxinas | En marzo de 2021, o Parlamento aprobou por unanimidade unha moción do PSdeG na que se instaba a Xunta a "asumir o informe do Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura" (MNP)" de 2018 sobre o hospital psiquiátrico de Conxo (Santiago). Tratábase de "levar a cabo todas as medidas" para "reverter", nun prazo de seis meses, "os graves problemas" que este departamento dependente do Defensor del Pueblo detectara nunha visita sorpresa ao centro en 2017.O Sergas inspeccionou o psiquiátrico de Conxo no verán de 2021, un mes despois da segunda visita sorpresa do Mecanismo de Prevención da Tortura ao centro e cando xa pasaran catro anos dende que este departamento do Defensor del Pueblo sinalara eivas que o Parlamento pediu solucionar en tres ocasiónsEn xullo do mesmo 2021, o MNP inspeccionou outra vez o psiquiátrico sen previo aviso. Esa segunda vista saldouse con outro contundente informe que incluía entre as súas alertas aspectos como trato discriminatorio ás mulleres ingresadas, un caso de violencia sexual tratado de xeito inadecuado -segundo o organismo- e diversas irregularidades máis. Para emendalas, dirixiu á Consellería de Sanidade un total de 17 recomendacións que tiveron idéntico resultado: "Sin respuesta".O pasado novembro, no transcurso dun debate parlamentario suscitado outra volta polo PSdeG ao respecto (no que foi aprobado por terceira vez aplicar o reclamado polo MNP), o PP afirmou que o Sergas realizara unha auditoría sobre o centro durante o mes de agosto de 2021. Isto é, cando xa case pasaran os 6 meses sinalados no propio Parlamento para solucionar o conxunto das eivas. O contido dese documento non foi feito público, pero Praza.gal puido acceder a el a través dunha petición ao abeiro da lei de transparencia na que foi precisa unha intervención da Valedora do Pobo na súa condición de responsable da Comisión de Transparencia. Trátase dun documento de apenas catro páxinas produto dunha inspección interna, non dunha auditoría externa como a reclamada polo Parlamento, no que o propio Sergas reflicte algunhas das eivas denunciadas a respecto de contencións mecánicas, medicacións e deficiencias materiais das instalacións.Segundo consta no documento, asinado con data de 13 de setembro, foi o 4 de agosto de 2021 -case un mes despois da segunda visita sorpresa do MNP e xa sen marxe para cumprir o prazo dos 6 meses- cando a Subdirección Xeral de Inspección de Servizos Sanitarios da Consellería de Sanidade solicitou á Xerencia do Sergas en Santiago diversa información sobre o psiquiátrico de Conxo. Concretamente, pediulle unha listaxe de pacientes ingresados a xullo de 2021, outra de "profesionais sanitarios de saúde mental" que traballasen no centro no mesmo mes, os protocolos de "actuación ante pacientes axitados" e mais un "rexistro de seguimento de aplicación de medidas de contención mecánica".O psiquiátrico trasladou unha relación de 198 persoas ingresadas das que a inspección seleccionou unha mostra de 39, entre elas "10 dos 17 que foran obxecto de contención mecánica", segundo o "informe auditoría", que consta de 4 páxinasSempre atendendo ao reflectido no definido como "informe auditoría", a área sanitaria compostelá remitiu un censo de 198 pacientes ingresados e deles, a inspección seleccionou unha mostra de 39 "na que se incluíron 10 dos 17 que foran obxecto de contención mecánica". Nas historias clínicas de nove das 10 persoas sometidas a contención mecánica, indica, "constan rexistros (...) sobre a medida aplicada", polo que a inspección sinala que a ausencia nunha delas "pode tratarse dun erro". Sobre o persoal, indicou que "non dispón de información sobre os facultativos" con "formación reglada e rexistrada como cursos específicos en técnicas de desescalada verbal (contención verbal)".No exame da documentación, a inspección analizou tamén os tratamentos farmacolóxicos da mostra de pacientes "para ver se se axustaban á ficha técnica" de cada medicamento. "Na revisión realizada non se detectaron desviacións a respecto da ficha técnica, aínda que nalgúns casos se observan pautas posolóxicas elevadas", conclúe."Visita de auditoría" en setembroSegundo consta no informe, o traballo de inspección completouse o 3 de setembro cunha "visita de auditoría" ao psiquiátrico "co obxecto de avaliar in situ diferentes aspectos en relación coas medidas de contención" aos pacientes. No documento non consta se a visita foi sen previo aviso -como as do MNP- ou existiu unha advertencia previa de que se ía producir. Si detalla que "a visita se fixo en presenza da directora de procesos de soporte da área sanitaria e da supervisora de enfermaría" do propio hospital psiquiátrico de Conxo."Resultaría conveniente reforzar con persoal de enfermaría as quendas de noite" das Unidades de Atención Especial onde, segundo o informe, se realizan as contencións mecánicasNesa visita, indica, quedou acreditado que o psiquiátrico de Conxo "non dispón dun protocolo propio do centro sobre contención" e que se rexe polo xeral da área sanitaria ao respecto. As contencións mecánicas, abonda, realízanse en cuartos individuais situados nas denominadas Unidades de Atención Especial -unha feminina e outra, masculina-, nas que se controla o paciente a través dunha cámara e presencialmente "cada 30 minutos ou unha hora". O material utilizado para contencións mecánicas é "estandarizado e homologado", di.Segundo a inspección, a Unidade de Atención Especial para homes "conta cunha enfermeira, tres auxiliares e un celador con quendas rotatorias" e polas noites "a unidade conta con dous auxiliares". "Resultaría conveniente reforzar con persoal de enfermaría as quendas de noite", sinala, antes de indicar que a unidade feminina ten "as mesmas características".Alén das contencións, o informe sinala unicamente outros dous aspectos. O primeiro, que o centro non dispón "dunha normativa escrita que regule a saída dos pacientes", senón que "o réxime de saídas se realiza atendendo á valoración que realiza o equipo asistencial dos pacientes" en cada caso. O segundo son as conclusións dun "breve percorrido por algunhas das instalacións, como o ximnasio, a sala de reunións-cafetaría e a cociña" na que observaron "certas deficiencias nas condicións do edificio" que non se dan na "unidade do centro que se rehabilitou e que presenta condicións moi óptimas de habitabilidade e confort". A Xerencia da área de Santiago, remata o informe, di ter a "intención" de "continuar coa rehabilitación das demais unidades en función das dispoñibilidades orzamentarias". |
NOS_40321 | A sala terceira do TS desestima o recurso da Generalitat que pedía suspender cautelarmente o acordo do Consello de Ministros impugnando o proceso catalán. | O Tribunal Supremo español avala a suspensión do 9N e non ten en conta a alegación a Generalitat de que impedir a votación é unha vulneración dos dereitos fundamentais. O goberno catalán pedía que se permitise cautelarmente o 'proceso participativo' do domingo. E o alto tribunal español dixo, por unanimidade, que non. A espectación está agora na resposta que dará a Generalitat, se mantén o proceso do domingo ou non. Preparativos Por volta de 41.000 persoas xa se rexistraron para participar como voluntarias na consulta do 9N. (O goberno calculaba en 20.000 as necesarias para facer o proceso) O dispositivo de votación consta de 6.695 mesas repartidas en 1.317 colexios de 942 concellos dos 947 existentes en Catalunya. Non hai censo previo. O rexistro para votar farase no mesmo día (9n), antes de depositar o voto. A Generalitat calcula que poderán votar por volta de 5,4 millóns de persoas. Para votar hai que presentar o Documento de Identidade (DI), o pasaporte e comprobante de empadroamento para cidadáns comunitarios e a Tarxeta de Estranxeiría para extra-comunitarios. Non hai voto anticipado. O escrutinio farase a noite do 9N e os resultados daranse a coñecer o 10, segunda feira. |
NOS_19752 | Ence, mina de San Finx ou as verteduras en Burela figuran no informe presentado por Ecolioxistas en Acción. | Desde hai 16 anos Ecoloxistas en Acción presenta anualmente un informe no que toma o pulso á saúde do ecosistema litoral do estado español e no que a través da concesión de 'bandeiras negras' e 'puntos negros' quer advertir sobre as zonas máis agredidas do litoral. No seu informe de 2020, presentado esta terza feira, Ecoloxistas sitúa na Galiza seis desas 'bandeiras negras'. Tres delas por mala xestión no litoral e outras tantas por mor da contaminación. Algunhas delas acompañan os informes e denuncias dos colectivos ambientalistas desde hai anos. As 'bandeiras negras' por mala xestión corresponden ao recheo do Porto de Vigo, á Praia da Virxe do Camiño (Muros) e ao proxecto de construción dun espigón en Foz, na Mariña, que afecta espazos da Rede Natura. As ´bandeiras negras' por contaminación son para as verteduras sen control en Burela, a Factoría de ENCE (Pontevedra) e as Minas de San Fins, en Lousame. San Fins "Nas Minas de San Fins, os labores subterráneos da concesionaria, Tungsten San Finx S.L. pertencente ao grupo Sacyr, provocan drenaxes acedas de mina, debido ás infiltracións de auga en contacto con quilómetros de galerías. Estas augas residuais industriais mineiras de baixo pH favorecen a disolución de metais pesados. Nas Minas de San Fins, as drenaxes presentan altos niveis de cadmio, cobre e cinc. Especialmente preocupantes son as concentracións de Cadmio, definido como substancia perigosa prioritaria" Praia Virxe do camiño, Muros "Por mala xestión, xa que exemplifica o problema das verteduras de augas residuais ao medio mariño que obrigan ao peche de praias. Durante 5 anos, a praia obtivo unha cualificación insuficiente por non cumprir os valores establecidos para cualificar a unha praia con calidade apta para o baño, ano tras anos repetíronse as analíticas dando como resultado que a praia presenta contaminación fecal, e constátase que non se realizou ningunha mellora na zona por parte das autoridades competentes para solucionalo e que acabaron coa decisión de pechar a praia para o baño ao finalizar a tempada de verán do 2019". ENCE " A fábrica de pasta de papel que ENCE posúe na Ría de Pontevedra, verte ás augas da ría ao redor de 35.000 m3 de augas que, segundo as analíticas das inspeccións que realiza a Xunta de Galicia, conteñen elevados niveis de materia orgánica e, frecuentemente, unha elevada carga de microorganismos fecais". Recheos na Ría de Vigo. Porto de Vigo " A Autoridade Portuaria de Vigo pretende ampliar considerablemente a superficie portuaria mediante a execución de recheos de máis de 200.000 m2 sobre a lámina de auga da Ría, argumentando unha suposta necesidade de maior superficie de almacenamento de mercadorías, liña e calado de atracada para os buques de transporte de vehículos ou de mercadorías en xeral polo sistema Ro- Ro. Estas obras que implican un alto risco de contaminación, por terras, así como modificacións da hidrodinámica da Ría que afecta os bancos marisqueiros, pesqueiros, parques de bateas, praias e a zonas protexidas, enseada de San Simón, Costa da Vela ou Parque Nacional Illas Atlánticas, causando un dano irreversíbel á natureza". Verteduras de augas residuais, Burela "Hai anos que o sistema de tratamento de augas residuais é deficiente no concello de Burela, o que carrexa continuas verteduras de augas fecais sen tratamento adecuado ao medio mariño, coa grave degradación ambiental que isto carrexa . Tanto o goberno local como o autonómico levan tempo anunciando a ampliación e mellora da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), sen que se chegue a concretar esta actuación." Praia de Altar, Foz "A execución do proxecto de estabilización da praia de Altar, no seu conxunto coa dragaxe e a construción dun espigón, vai realizar nunha contorna que forma parte dunha Zona de Especial Conservación ( ZEC) e Zona de Especial Protección para as Aves ( ZEPA) da Rede Natura 2000, que traerá consecuencias impredicíbeis nas zonas de alimentación e cría de especies vulnerábeis". |
PRAZA_346 | O alto tribunal rexeita nunha primeira sentenza o recurso presentado pola Xunta logo de que CIG-Ensino gañase xa 28 demandas en varios xulgados do social. O ditame "reafirma" a nulidade dos despidos dos docentes, segundo destaca a central nacionalista. | O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tamén declara nulo os despedimentos dos profesores dos cursos Celga. Cando menos, así o fai no caso dun docente, ao darlle razón á CIG-Ensino e declarar nulo o seu despido, rexeitando o recurso que presentara a Xunta, como xa fixeran antes diferentes xulgados do social, e impoñéndolle á Administración 600 euros de costas. A CIG xa gañou 28 demandas nos xulgados do social e gaña agora tamén ao rexeitar o TSXG o recurso da Xunta O sindicato nacionalista ten presentado xunto ao profesorado Celga 52 demandas por despedimento e xa leva gañadas 28, 22 sentenzas por despido nulo e seis por improcedentes. O resto quedan aínda pendente, pero esta última é a primeira que chega desde o TSXG tras os recursos impostos polo Executivo galego ante ese alo tribunal, o que -segundo a CIG- "reafirma o despedimento nulo do profesorado" que impartá estes cursos de galego. "A sentenza do TSXG, confirma, máis unha vez a actuación totalmente inaceptable, represiva e ilegal da Consellaría de Educación cun colectivo que estivo explotado e que lle negou os seus dereitos laborais máis básicos", sinala Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, que exixe ao novo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que o seu departamento cese na súa actitude "vingativa e persecutoria" contra este profesorado, "asuma as resolucións xudiciais e en consecuencia, readmita a este colectivo unha vez que tanto as inspeccións de traballo, os xulgados do social e agora o TSXG, confirman a actuación ilegal da Xunta". "Do contrario no só continuaría coa política represiva do anterior conselleiro senón que estaría facendo un uso indebido dos recursos públicos ao ter que afrontar agora as costas", advirte. O sindicato pide á Xunta que readmita profesorado logo de que Inspección, xulgados do social e TSXG "confirmasen a súa actuación ilegal" Foi no curso 2006-07 cando se puxo en marcha a Certificación de Lingua Galega (Celga) a través de cursos ofertados a todo aquel que quixese acreditar o seu coñecemento do idioma cun título que é requisito ou valoración indispensable en numerosos ámbitos. Para levalos a cabo, a Administración contou con docentes desempregados, que impartían as aulas durante dous ou tres meses ao ano. A CIG alertou durante tempo que este colectivo -que incluía máis de 400 titulados- impartía as clases sen contrato de traballo ningún e sen estar dado de alta na Seguridade Social. A denuncia que a central nacionalista interpuxo ante a Inspección de Traballo resolveuse recoñecendo a relación laboral entre a Consellería e este profesorado e dando de alta de oficio con efectos retroactivos nos períodos nos que se impartiran aulas nos catro anos anteriores, ademais de impor unha multa de máis de 200.000 euros á Administración por actuación fraudulenta. A denuncia ante Inspección xa se resolvera recoñecendo a relación laboral coa Xunta e impoñendo unha multa á Consellería Pero ante esta situación e tras a resolución, a Consellería optou por non ofrecer os cursos do Celga ao profesorado en paro, senón que apostou por que sexan docentes en activo de secundaria os que impartan estas aulas como horas extraordinarias, algo que a CIG rexeitou frontalmente. De feito, a propia central pediu a solidariedade co colectivo dos cursos preparatorios do certificado de lingua galega e o rexeitamento desas horas lectivas como extraordinarias. Hai menos dun ano, confirmábase que a Xunta tiña que recorrer a asesores, auxiliares ou docentes de Primaria ante as dificultades para atopar docentes de Secundaria que dese os cursos. E que mesmo Educación tivera que anular algún ante a negativa maioritaria dos profesores en protesta polo despedimento masivo de compañeiros. |
NOS_40910 | Na rolda de prensa ordinaria despois do Consello da Xunta, o presidente galego admitiu esta mañá que non ten infomación sobre o encargo da xestión do Pazo de Meirás á Fundación Franco, aínda que asegurou que a Xunta velará porque se cumpra a lei. | Alberto Núñez Feijóo recoñeceu diante dos xornalistas que ten "escasa información, por non dicir nula" sobre a decisión da familia Franco de cederlle a xestión das visitas do Pazo de Meirás á Fundación Franco, tal e como saltou á prensa nos últimos días. Iso si, afirmou que "todo o que sexa cumprir a lei e os compromisos dun BIC nós imos esixirllo a calquera familia que sexa propietaria", dado que teñen a obriga de abrir o monumento catro días ao mes e levan desde 2008 probando distintas tácticas para evitar a apertura. A oposición reclama a devolución e fala de "insulto" Mentres, tanto En Marea como o BNG amosaron a súa estupefacción diante deste novo xiro que toma a xestión de Meirás. A deputada Ánxeles Cuña afirmou que estamos diante doutra "burla porque é unha entidade franquista e supón unha prolongación do expolio co que foi conseguido o pazo de xeito completamente ilexítimo". Tamén Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea sinalou que Galiza debe recuperar a normalidade democrática mediante a recuperación do "patrimonio do Pazo de Meirás para uso público". O BNG anunciou que reclamará na Cámara a creación dunha comisión que estude a devolución do Pazo de Meirás aos seus lexítimos propietarios: o pobo de Sada Sánchez tamén apuntou ao PP afirmando que "protexe os intereses da familia Franco e pediulle que "abandone esta actitude e cumpra coas obrigas democráticas que, entre outras cousas, son a devolución ao público do patrimonio expoliado e facer cumprir as normas da Xunta para o uso público do patrimonio". Pola banda nacionalista, a súa voceira parlamentaria, Olalla Rodil, considérao un "insulto á memoria e ás vítimas da ditadura fascista, mais tamén á dignidade de Galiza". O BNG reiterou o seu rexeitamento a que o Pazo de Meirás continúe en mans da familia Franco como unha "illa de impunidade", polo que anunciou que reclamará na Cámara a creación dunha comisión que estude a devolución do Pazo de Meirás aos seus lexítimos propietarios: o pobo de Sada. Ademais, insta a Xunta a dirixirse á familia Franco para expresar o seu rexeitamento a que sexa esta entidade a encargada das visitas. |
PRAZA_2260 | Ao ancián, Republicano de Honra e coñecido militante dos movementos sociais na Coruña, enfróntase a unha sanción de 600 euros tras intentar deter aquela expulsión. Acumula máis de 2.700 euros en sancións e Stop Desafiuzamentos denuncia a "inxustiza e acoso" que sofre | Nicanor Acosta ten 74 anos. É un coñecido activista da Coruña, presente en todas as manifestacións, concentracións e loitas sociais da cidade. Sempre co seu megáfono, lanzando proclamas ou cedéndoo para que outros se expresen. Comprometido politicamente cos máis desfavorecidos desde a ditadura, mantén ese compromiso e colabora con múltiples colectivos, desde Stop Desafiuzamentos ata as plataformas dos preferentistas ou a Marea Atlántica, cuxa lista electoral integrou nas pasadas eleccións municipais. É ademais, Republicano de Honra de 2015, galardón concedido pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica. O vindeiro martes será xulgado polas multas interpostas na súa contra tras intentar deter o desaloxo da anciá Aurelia Rey en febreiro de 2013. Nicanor Acosta, de 74 anos, é un coñecido activisa coruñés presente en todas as loitas sociais da cidade A vista deste martes terá lugar logo de que Nicanor Acosta presentase recursos pola vía administrativa contra as sancións impostas pola Delegación do Goberno, tal e como informa Stop Desafiuzmentos Coruña nun comunicado. O xuíz terá que resolver o procedemento logo de que na sanción se acuse este home da "provación de reaccións no público que alteran ou poden alterar a seguridade cidadá". Reclamásenlle 600 euros, pero, tan só pola súa participación nas mobilizacións contra os desaloxos, xa acumula máis de 2.700 euros de sanción. Non é o único, xa que numerosos activistas da cidade pagaron ou están pendentes de pagar ducias de multas. Reclámanlle 600 euros por "provocar reaccións no pública que alteran a seguridade cidadá" e xa acumula máis de 2.700 euros en sancións "O que parece non entender nin a Policía Nacional nin a Delegación do Goberno é que as 'reaccións no público' causábaas un grupo de homes armados e uniformados que agrediron a xente para intentar botar da súa casa a unha octoxenaria, e non un home maior cun altofalante", di Stop Desafiuzamentos. Naquel episodio, varios cargos públicos -como os nacionalistas Francisco Jorquera ou Xosé Manuel Carril- tamén foran expedientados. Do mesmo xeito que Roberto Rivas, o bombeiro que saltou ás portadas por negarse a executar o desaloxo. No caso de Nicanor Acosta, e de moitos outros activistas, a "solidariedade de moita xente" permitiulles garantir a cobertura económica para sufragar as sancións tras a campaña Múltannos a nós para asustarte a ti que a plataforma realiza desde 2013. "Un éxito do compromiso colectivo fronte ás ameazas e a persecución que vén realizando o Goberno contra os movementos sociais a través da policía nacional e demais organismos estatais de represión", di o colectivo, que denuncia a "inxustiza e acoso que está a sufrir o noso compañeiro". Por iso, Stop Desafiuzamentos convoca a cidadanía a unha concentración este martes 13 ás 10 horas diante do edificio Proa de Matogrande "para amosarlle a Nicanor o noso apoio e o rexeitamento á política represiva do Goberno". |
NOS_33206 | O poder económico determina a resposta da Xunta ao gromo da Coruña. | O coronavirus non dá tregua á comarca coruñesa. Xa son 544 casos activos, 108 positivos por cada 100.000 habitantes, 57,9% do total dos contaxios da Galiza é unha pandemia que non deixa de medrar. Ao tempo o número de afectados supera os existentes na Mariña no momento do seu confinamento polo Goberno galego e a porcentaxe de 50 por 100.000 recomendada pola Unión Europea para adoptar este tipo de solucións. Asemade, as fontes médicas sinalan que a situación non deixa de complicarse. O gromo da Coruña está disparado mais a Núñez Feixoo semella non preocuparlle. Malia a incapacidade das medidas aplicadas na última semana pola Xunta da Galiza para facerlle fronte á pandemia, as autoridades galegas néganse en achegar novas solucións. Pola contra, nunha reunión celebrada na cuarta feira, co obxectivo de avanzar novas propostas para combater a epidemia na área coruñesa, o presidente galego limitouse a responsabilizar os concellos e ao Goberno central da situación e a anunciar restricións ao consumo do tabaco en espazos públicos. Os riscos do tabaco para a saúde das persoas son evidentes polo que as medidas destinadas a reducir o seu uso deben ser recibidas con satisfacción. Porén, neste caso non deixa de ser unha coartada para agochar a negativa da Xunta da Galiza a aprobar alternativas contundentes contra o coronavirus, entre elas o confinamento, tal e como demandan diversos expertos e a o propio Goberno galego ten aprobado fai unhas semanas para outras áreas da Galiza, como A Mariña. En definitiva, as autoridades galegas demostran con esta decisión que intereses representan e cales son as súas auténticas prioridades. A preocupación pola saúde dos coruñeses e coruñesas non está tras a proposta de Alberto Núñez Feixoo. O presidente galego, lonxe de atender as recomendacións dos expertos sanitarios, actúa conforme ás esixencias dos poderes económicos da cidade, particularmente daqueles grupos empresariais máis internacionalizados e cuxos intereses se xogan nos mercados exteriores, temerosos do impacto do confinamento nas súas contas de resultados. Esta e non outra, é a motivación real dunha proposta que pon en perigo a saúde da cidadanía da comarca e se converte nun factor de risco para a extensión da pandemia en toda a área articulada arredor da autoestrada do Atlántico. Quen manda aquí? As crises adoitan deixar ao descuberto a auténtica natureza do sistema, as dinámicas de funcionamento das formacións sociais e as súas principais contradicións. A resposta de Alberto Núñez Feixoo ao gromo que padece a comarca coruñesa é ben significativa das relacións de poder na Galiza e dos intereses que representa |
NOS_46419 | Nova volta de porca das posicións fascistas nun estado membro da UE, duramente criticada por organizacións non gubernamentais, ONU e o Parlamento europeu. Será delito até prestar axuda a persoas refuxiadas que entren no país coa intención de demandar asilo. | As posicións ultradereitistas e xenófobas son maioritarias no Parlamento húngaro, hexemonizado polo Fidesz, o partido liderado polo primeiro ministro Viktor Orban. Destarte, a cámara lexislativa deu luz verde esta cuarta feira pasada a unha lei oficialmente coñecida como STOP Soros, en alusión directa á rede de ONGS de apoio á inmigración tecida polo millonario de orixe maxiar George Soros. Trátase dun pacote de normas que visan un só obxectivo: tornar delito o auxilio a aquelas persoas inmigrantes que se achan no país sen papeis en regra. En declaracións a Reuters, o ministro de Interior, Sandor Pinter, afirmou: "O pobo húngaro ten a expectativa de que o Goberno use todos os meios necesarios para combater a inmigración ilegal e as actividades que a promoven". E engadiu: "Queremos usar estas leis para impedir que a Hungría se torne un país de inmigrantes". O Fidesz está a alimentar unha auténtica histeria sobre unha suposta invasión de inmigrantes no país que non se corresponde en absoluto coa realidade: segundo as estimacións de Reuters, neste estado de 10 millóns de habitantes apenas viven 3.555 persoas refuxiadas. |
NOS_28835 | A XIII Feira Rural da vila decorrerá durante todo o día, con exposicións de agroalimentación, zapataría artesá, viveiros ou maquinaria, así como múltiples actividades paralelas. | A leira da Cortiña de San Sadurniño acolle hoxe a partir das 10 da mañá a XIII Feira Rural, impulsada polo Concello e o proxecto de Xeoparque de Cabo Ortegal. O evento conta con actividades ao longo de toda a xornada, e procura pór en valor "as potencialidades do campo nun concello totalmente rural", explica en declaracións a Nós Diario o edil de Desenvolvemento Local, Manuel Varela, do Bloque Nacionalista Galego. Este evento, que define como "consolidado" tras atraer milleiros de persoas en cada edición, naceu da colaboración coa Asociación Casa do Mel de Goente e coa Asociación Galega de Froita Autóctona do Eume, e está aberto a toda a familia, incide Varela. Nese sentido, subliñou que amais de amosar a variedade de produtos da vila, con edicións nas que chegaron a expor entre 50 e 60 variedades de mazá e pera, o espazo da feira está situado á beira do río Xubia, onda a Fraga Máxica, na que se atopan as esculturas de madeira do artista e veciño de San Sadurniño Carlos García. Amais das exposicións de agroalimentación, zapataría artesá, viveiros, maquinaria ou de elementos de segunda man, ás 10.30 comezan as actividades paralelas co concurso de froita autóctona na carpa principal, premiado cuns vales para comprar no comercio local. Unha vez elixida a mellor froita, haberá unha visita guiada á horta de froiteiras Carlos Fornos, onde se desenvolverán leccións de poda e enxertado, xusto antes de coñecer a colmea didáctica. Tamén está programada unha exhibición de pastoreo de ovellas con cans e un concurso morfolóxico da raza galega can de Palleiro. Á hora do vermú e da merenda, o centro colaborativo A Fusquenlla -un ente público no que as produtoras e produtores poden elaborar conservas vexetais e darlle valor engadido á súa produción- ofrece unha cata dos produtos que elabora. Asemade, a música correrá a cargo dos trobadores Cego de Matamá e Aldariña de Candeán, e no que atinxe á cativada, tanto pola mañá como pola tarde desenvolverase un obradoiro de lambetada feitas con froitas do país. Até a hora de clausura, fixada ás 20.15, a Asociación Cultural Lembranzas da Ría organiza actuacións en distintos puntos da feira. |
NOS_58007 | Susú Cores (Ribeira, 1985) é un dos nomes propios do fútbol feminino no Ecuador, onde após adestrar o poderoso Independiente del Valle, agora dirixe o Macará, estendendo unha aventura americana que iniciou en 2020 logo de acumular unha ampla traxectoria na Galiza dirixindo equipos como Victoria ou Boimorto. | Vostede elevou ao máximo expoñente ese vello dito de que "o fútbol non ten fronteiras", pasando a principios do pasado ano 2020 de adestrar en Boimorto a facelo na localidade ecuatoriana de Sangolquí. Que a levou a tomar esa 'life-changing decission', como dirían os americanos? Tiven moitas oportunidades de saír fóra con anterioridade, pero sempre fun moi da miña zona de confort: da casa, da familia, das amigas... mais cando recibo a chamada para ir a Independiente penso que é un agora ou nunca, e logo de consultalo con familia e amigas reafírmome en que non hai nada que pensar, que é o meu soño e hai que vivilo, porque o de aquí non vai marchar, así que lanceime a vivir esta aventura. Sen deixar os tópicos, a presenza anterior á súa chegada no corpo técnico de Independiente del Valle de galegos como José Mato, Iván Vázquez ou Luis Pastur, ademais de confirmar que hai galegos en, literalmente, todas partes, canto tivo que ver na súa determinación de emigrar até o Ecuador? Moito. Ao final, tiña que cruzar o charco e ter xente coñecida como Iván Vázquez, co que mantiña unha boa relación de cando traballaramos xuntos no pasado; ou José Mato, que é de Ribeira coma min e que me escribiu para animarme, fíxome sentir máis segura, sabendo que non ía a cegas e que tiña a quen recorrer se xurdía algún problema neses primeiros momentos. Recentemente, no pasado mes de febreiro, vén de cambiar de equipo, asinando polo Club Deportivo Macará, entidade que se sitúa na cidade de Ambato, que aproximadamente conta co duplo de habitantes que Sangolquí, 165.000, pero que é algo máis modesta en canto a obxectivos deportivos que o Independiente. A que se debeu ese cambio de aires? Indepediente del Valle é un referente, o mellor club do Ecuador, pois ten máis recursos económicos e, por tanto, as mellores xogadoras do país, pero a cousa alí non foi de todo ben pola xestión por parte do club. Así que tiven unha chamada de Macará e estudei o seu proxecto. Trátase dun conxunto humilde que quere medrar no fútbol feminino, cun proxecto a longo prazo, desde a base, o que me chamou moito a atención. Botando a vista atrás, case inmediatamente despois de dar os seus primeiros pasos como futbolista no Xuventú de Aguiño comeza a interesarse por outra faceta do fútbol: a técnica. Cando empeza Susú Cores a adestrar e que a motivou a, sendo tan nova, dar ese paso que, naquel momento, no que o fútbol feminino estaba case en cueiros comparado coa actualidade, era moi pouco habitual? Xa cando estaba no Xuventú de Aguiño, con 17 anos e sen título, adestraba nas categorías de base a benxamíns e alevíns. Logo, cando marchei para A Coruña a estudar INEF, entrei no Victoria, onde me encarguei das categorías femininas e dos infantís masculinos. Pouco despois tamén collín a Sub-12 da selección galega de fútbol, logo de recibir a chamada da Federación. Máis tarde deixei de xogar, porque lamentabelmente antes no feminino non tiñamos adestradores que se implicasen de verdade no noso deporte, que cresen realmente no fútbol feminino, o que me molestaba moito e que me levou a centrarme en adestrar e contribuír neste cambio, así que collín o equipo sénior feminino do Ural e gañamos a Liga, que acabaría sendo a miña plataforma para o Boimorto. Nese vestiario do Xuventú de Aguiño coincidiu cunha xogadora que continúa en activo e triunfando no mundo do fútbol como é Vero Boquete. Agardaba que chegase tan lonxe, até o punto de ser considerada aínda hoxe como unha das mellores xogadoras do mundo e contar cun estadio co seu nome? A primeira vez que vin Vero Boquete eu aínda xogaba de dianteira no Xuventú de Aguiño. No seu primeiro partido connosco colleu o balón na nosa área, caneou todo o mundo ao seu paso e acabou metendo gol. Nese mesmo momento dixen "o meu tempo como dianteira acabou, aquí non che hai nada que facer", e así foi, pois acabei xogando de defensa central (ri). Estaba claro xa daquela que era diferente, que ía ter futuro neste deporte, como así foi. Aínda hoxe teño unha boa amizade con ela e estou orgullosa de que á súa idade siga nun equipo como o Milán, facéndoo tan ben e sendo un referente para todo o fútbol feminino. A súa última experiencia na Galiza, antes de emigrar ao Ecuador, foi no Boimorto, onde tornou na primeira adestradora en dirixir un conxunto masculino da Preferente galega. En perspectiva, como valora esa experiencia? Valora volver dirixir homes no futuro? Non descarto nada, claro, pero si que é certo que no fútbol feminino hai aínda moito traballo que facer, moito que loitar polo noso. No masculino, ademais, é todo máis complicado, está moi copado, resulta moi difícil entrar e estás máis no ollo do furacán. Non obstante, estou contenta aquí, gústame o fútbol en feminino e oxalá poida seguir dirixindo equipos durante moito máis tempo. |
NOS_43339 | Defendeu posicións heterodoxas en materia lingüística, a prol dun referendo pactado en Catalunya e dun incremento sustancial dos salarios. Posturas duramente contestadas desde a liña dura da patronal. | Un ano. Non durou máis no cargo Antón Arias, quen apresentou a demisión esta quinta feira 25 de xaneiro (asumiu o cargo o 27X de 2017). Arias enfrontaba esta quinta feira un comité executivo "complicado" para el, segundo fontes consultadas por Europa Press. O seu mandato caracterizouse por posicionamentos progresistas en diversas materias, moi a contracorrente das tendencias maioritarias na burocracia empresarial que controlou historicamente a patronal galega. En non poucas ocasións mostrou as súas discrepancias a respeito das sucesivas reformas laborais ao tempo que dixo estar a prol -a título persoal- dunha solución política negociada en Catalunya que pasase polo recoñecimento do direito a decidir do pobo catalán. Desde hai uns meses, as presións para forzar a renuncia de Arias foron especialmente intensas desde as organizacións empresariais de Pontevedra e Ourense, co ex presidente da confederación José Manuel Fernández Alvariño como mascarón de proa dos críticos. |
PRAZA_14537 | O candidato do BNG pide en Vigo un concerto económico para a nosa comunidade e asegura que o Goberno central recada cada ano en Galicia, "3.000 millóns de euros máis" do que despois achega. | Francisco Jorquera, pediu hoxe en Vigo "autonomía fiscal" para Galicia, concretado nun concerto económico semellante ao que teñen Pais Vasco e Navarra e ao que reclama Catalunya. O candidato do BNG afirmou que "hai que romper cun modelo de financiamento autonómico en que o Estado recada e reparte, algo que nos condena á dependencia". Jorquera asegurou que o Goberno central recada cada ano en Galicia, "3.000 millóns de euros máis" do que posteriormente "transfire". "Galicia necesita un modelo de concerto e plena autonomía fiscal para definir as súas políticas impositivas e xestionar e recadar impostos para mellorar o ensino, a sanidade e crear emprego", salientou. Jorquera asegurou que o Goberno central recada cada ano en Galicia, "3.000 millóns de euros máis" do que posteriormente "transfire" O número un do Bloque pola Coruña reclamou tamén que grandes empresas afincadas en Galicia como Inditex tributen na nosa comunidade. Segundo Jorquera, no modelo de concerto proposto atoparíase o imposto de sociedades, de modo que as empresas "potentísimas" que "con sede social en Galicia", paguen este imposto en Galicia. Tamén aludiu a PSA Peugeot-Citroën, que ten unha fábrica en Vigo, e que "non paga nada polo imposto de sociedades en Galicia". Finalmente citou a Unión Fenosa, que "se lucra explotando os nosos recursos naturais", mentres ten a súa "sede fiscal en Madrid". |
PRAZA_15400 | O presidente da Xunta non comparece sen que sexa obrigatorio dende xullo de 2010. No primeiro pleno ordinario do mandato terá que responder na sesión de control a preguntas sobre lingua e desemprego. Audios no interior | Muda a lexislatura pero non os costumes. A Xunta de Portavoces do Parlamento reuniuse este martes para ordenar os contidos do primeiro pleno ordinario do noveno período lexislativo da autonomía e o grupo maioritario da Cámara, o PP, estreou a súa reforzada maioría absoluta librando o seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo, e mais á conselleira de Traballo, Beatriz Mato, de ir dar explicacións ante os deputados e deputadas. Reclamárao o PSdeG, por unha banda, e AGE e BNG, pola outra. E a resposta dos conservadores foi negativa en ambos casos. A intención socialista era que o presidente dese conta da súa visión e xestións sobre o futuro de Novagalicia Banco, especialmente crítico despois de que o Banco de España manifestase que o seu destino máis probable vai ser a venda ou liquidación. Ademais, explica o voceiro do PSdeG, Abel Losada, tentaron que Feijóo abordase cal ía ser a posición de Galicia ante a "regresiva e protofranquista" reforma educativa que impulsa o Goberno central. Pero esas comparecencias non se producirán e, polo tanto, o xefe do Goberno galego acumulará dous anos e cinco meses sen comparecer no Parlamento máis alá das sesións ás que está obrigado. Feijóo non comparece á marxe das sesións obrigatorias dende xullo de 2010 Algo semellante lle acontece á titular de Traballo, no seu caso reclamada conxuntamente por AGE e BNG -para poder pedir unha comparecencia cómpre que o fagan, cando menos, 15 deputados e deputadas-. Os grupos liderados por Xosé Manuel Beiras e Francisco Jorquera esixían explicacións do Goberno galego polo incremento do paro e a petición foi obviada. "Moi mala maneira de comezar", di Jorquera, ao explicar que o "argumento" ofrecido polos conservadores foi que o Goberno "xa ten tramitada a súa propia solicitude" para que os conselleiros e conselleiras "expliquen as liñas xerais" de cadanseu departamento. Aínda que iso, subliña, non aconterá ata febreiro. Tamén Beiras ve un mal sinal neste xeito de proceder. "Este Parlamento leva camiño de retroceder 100 anos na historia parlamentaria de Europa" ata "converterse no do II Reich ou na Duma do tempo do tsarismo", ilustra. O PP, di, tenta que a Cámara galega sexa "consultiva, sen capacidade decisoria", e que nela o Goberno "compareza cando lle peta". "O príncipe decide cando informa aos súbditos", acrecenta. Beiras: "Este Parlamento leva camiño de retroceder cen anos, o príncipe decide cando informa aos súbditos" Mentres isto acontece, o voceiro do PP lamenta que ningún dos tres grupos da oposición conceda os "cen días de cortesía", tampouco para ter en conta que o presidente xa "respondeu a todas as cuestións" no debate de investidura e que o resto do goberno "vén de tomar posesión". Ademais, di, en xaneiro comezan a tramitarse os Orzamentos, polo que non considera axeitado que se producisen as comparecencias solicitadas. O que non poderá evitar o grupo conservador, non obstante, é que PSdeG, AGE e BNG formulen as súas preguntas na sesión de control. Nela Pachi Vázquez e Beiras cuestionarán o xefe do Executivo sobre os datos do paro e Jorquera, sobre se ten pensado mudar a súa política lingüística "etnocida e lingüicida" tras as sentenzas do TSXG sobre o denominado decreto do plurilingüismo. |
PRAZA_17870 | A situación de inseguridade na que se atopa a clase traballadora pode levar á aparición do que chama "monstro político", que xorde co neofascismo e os populismos de extrema dereita | Vivimos uns tempos nos que o fascismo e os gobernos populistas da dereita máis reaccionaria están a penetrar na vida política europea. Temos o caso italiano, con Matteo Salvini como ministro de Interior de Italia; a ultradereita austríaca do FPÖ controlando a metade das carteiras ministeriais; Marine Le Pen chegando á segunda volta das eleccións presidenciais francesas; o partido filonazi Alternativa para Alemania irrumpindo con forza no Bundestag e na maioría de parlamentos rexionais; o primeiro ministro de Hungría, Viktor Orban, violando todos os acordos internacionais en materia de dereitos humanos en plena crise dos refuxiados; a ultradereita populista holandesa de Wilders xa é a segunda forza no país e o goberno polaco liquidando a separación de poderes. A loita para ocupar o espazo da dereita española está levando a PP e Ciudadanos a mostrar un discurso que lles achega a posicións que antes eran residuais e estaban representadas por partidos de ultradereita E namentres no Reino de España, a dereita do Partido Popular e Ciudadanos perde o goberno grazas a unha moción de censura e deixando un panorama desolador. Os datos demostran a inseguridade na que viven moitas persoas no Estado: O 14,8% dos fogares están por debaixo do umbral da pobreza, España é o segundo país pola cola da OCDE no que os salarios reais baixaron máis e o sétimo en traballadores pobres, incluíndo a países que non son membros da OCDE como China, India ou Brasil. Poderiamos pensar que estas cifras deberían supoñer un cambio político cara posicións progresistas que reduzan as desigualdades existentes, máis o que está a pasar no resto de Europa (exceptuando algúns países como Portugal) lévanos a pensar que non vai pasar tal. O 14,8% dos fogares están por debaixo do umbral da pobreza, España é o segundo país pola cola da OCDE no que os salarios reais baixaron máis e o sétimo en traballadores pobres A loita para ocupar o espazo da dereita española está levando a PP e Ciudadanos a mostrar un discurso que lles achega a posicións que antes eran residuais e estaban representadas por partidos de ultradereita. O odio contra as persoas migrantes, a culpabilización das persoas en situación de pobreza, a desaparición de dereitos sociais e a eliminación do Estado do Benestar serán o resultado do retorno da dereita ó poder. E como poderiamos evitar que en España goberne a ultradereita populista? Como evitar que unha cidadanía cada vez máis empobrecida deposite a súa confianza en partidos que fomentan o odio ó diferente e fan falsas promesas de recuperación a costa duns dereitos obtidos co sangue e suor de moita xente que loitou por eles? Debemos seguir confiando no emprego como medio de inserción social cando o desemprego xa se converteu nun elemento estrutural deste sistema que non garante unha vida digna? A situación de inseguridade na que se atopa a clase traballadora pode levar á aparición do que chama "monstro político", que xorde co neofascismo e os populismos de extrema dereita Como di Guy Standing, profesor da University of London, a situación de inseguridade na que se atopa a clase traballadora pode levar á aparición do que chama "monstro político", que xorde co neofascismo e os populismos de extrema dereita. Temos algúns exemplos deste citados no primeiro parágrafo. Por este motivo, o Estado debe prover unha rede de seguridade en forma de dereito social que garanta a existencia material da cidadanía. Esta rede de seguridade é a Renda Básica Incondicional. A Renda Básica Incondicional é unha das medidas do Estado do Benestar, quizais a máis relevante, que é capaz de eliminar a pobreza dende o primeiro momento, xa que proporciona unha asignación monetaria igual ou superior ó limiar da pobreza. O Estado debe prover unha rede de seguridade en forma de dereito social que garanta a existencia material da cidadanía. Esta rede de seguridade é a Renda Básica Incondicional Imaxinemos que o medo a perder o traballo por non aceptar salarios de miseria xa non existe. Que temos poder de negociación para que a patronal pague salarios dignos. Que diminúen os problemas de saúde mental relacionados coa pobreza. Que o argumento da dereita de que os inmigrantes vannos quitar o pouco traballo que queda xa non funciona. Todo iso será posible cunha Renda Básica Incondicional. O auxe do fascismo debe ser o motor dunha cidadanía organizada que poña a Renda Básica Incondicional na axenda política co obxectivo de fomentar o debate e estudar as posibilidades de implementar esta medida. De non ser así, imos cara unha sociedade dominada polo odio, a intolerancia e sumida na máis profunda desigualdade. Imaxinemos que o medo a perder o traballo por non aceptar salarios de miseria xa non existe As persoas que conformamos os diferentes colectivos que promoven a Renda Básica Incondional en Galicia estamos convencidas de que esta idea chegará, pero está nas mans da cidadanía decidir cando. Falamos? Publicidade |
NOS_677 | Ou todo ou nada. Ou todo o poder para o secretario xeral ou a morte política a mans dos baróns. A aposta de Pedro Sánchez xa non ten volta atrás. Ou o Comité Federal aproba este sábado o seu roteiro -novo congreso en decembro, primarias o 23 de outubro- ou o secretario xeral do PSOE se verá abocado a demitir, o que abriría a billa para un goberno Rajoy. | Tensión extrema no Partido Socialista. Após os maos resultados na Galiza -coa perda de 4 escanos- e en Euskadi -cuarta forza política-, a ofensiva do sector crítico liderado por Susana Díaz estaba cantada. A presión entre bastidores procurou xa na noite eleitoral do 25S a renuncia de Sánchez como secretario xeral, mais sen que ninguén asumise o custo político de a demandar en público. O líder do PSOE aguantou a presión, acrecentada mais unha vez polo diario El País. O contra-ataque de Sánchez chegou en forma de proposta de convocatoria dun congreso extraordinario para decembro precedida dunhas primarias exprés este mesmo 23 de Outubro. Sánchez quer facer un Corbyn, isto é, quer o referendo da militancia para así deslexitimar a oposición das federacións críticas, a comezar pola máis importante en poder institucional e en número de militantes, a andaluza, que lidera un bloco opositor a Sánchez en que se sitúan tamén Asturias, Castela A Mancha ou Valéncia. O líder do Partido Laborista viveu unha situación semellante. Co 80 por cento do grupo parlamentar en contra, submeteuse ao refrendo das bases. Aí gañou por un esmagador 62 por cento face Owen Smith, o candidato das elites do partido. Sánchez quer facer un Corbyn, isto é, quer o referendo da militancia para así deslexitimar a oposición das federacións críticas O problema para Sánchez é que a súa proposta de convocatoria de congreso ten de pasar primeiro pola peneira do Comité Federal do partido. O máximo órgao do PSOE reunirase este sábado e del fan parte por volta de 300 membros. Non está nada claro que o secretario xeral teña a maioría suficiente para se impor nunha eventual votación. Os críticos sopesan forzas e analisan as posibilidades coas que contan para provocar a queda de Sánchez. O secretario de Organización, César Luena, fiel a Sánchez, ten claro que a maioría respaldará a convocatoria do congreso ("a proposta sairá adiante, [os críticos] non saben contar, non teñen apoios suficientes", veu dicer). Non existe precedente dunha derrota do secretario xeral neste órgao. Sánchez defende manter o NON a Rajoy até o final e considera lexítimo que o PSOE, con só 85 escanos, tente nuclear unha maioría alternativa. Os críticos, embora non o expliciten, advogan por que o partido socialista preste unha abstención técnica ao PP que permita o desbloqueo do taboleiro político, viabilice a investidura de Rajoy e evite ir a unhas terceiras eleccións. Sánchez discute que unha abstención que indixite Rajoy como presidente poda ser considerada "técnica" e propón un PSOE situado inequivocamente na esquerda e non como un "partido subalterno do PP". O debate de fondo ten a ver coa loita pola hexemonía no campo da esquerda estatal O debate de fondo ten a ver coa loita pola hexemonía no campo da esquerda estatal. A equipa de Sánchez xulga que o apoio a Rajoy, embora fose sob a fórmula dunha abstención, convertería Podemos inmediatamente como único referente da oposición de esquerdas e abocaría o PSOE a un proceso de pasokización. Desde Andalucía o que se argumenta, por contra, é que un pacto con Podemos e coas formacións soberanistas catalás afastaría o PSOE das posicións máis tépedas e centristas do eleitorado, o que daría unha vantaxe decisiva ao PP con vistas a futuras contendas eleitorais. Un debate xémeo ao que se está a verificar no seo do Labour Party. Sánchez xoga co calendario -ao pór as primarias o día 23 apenas dá tempo a que se organice unha candidatura alternativa con opcións de triunfo- e coa evidencia de que a militancia simpatiza coa súa resistencia ás presións dos sectores máis dereitistas e centralistas do partido. Pilar Cancela, presidenta da xestora do PSdeG, respalda a proposta de ir a un congreso: "É bon que sexa a militancia a que decida" Neste combate, o aparato da federación galega do PSOE, o PSdeG, está con Sánchez. Esta segunda feira, Pilar Cancela, presidenta da comisión xestora, respaldou a proposta de convocatoria do Congreso: "É bon que sexa a militancia a que decida". Cancela deixou un recado. Após avaliar como maos os resultados do 25S -"a mensaxe non chegou e non fomos a opción maioritaria da esquerda", atribuíu en parte o retroceso socialista ao "ruído" habido durante a campaña. O máis ruidoso do partido foi sen dúbida Abel Caballero, barón vigués aliñado con Susana Díaz e que claramente conspirou contra as opcións de Leiceaga a ter un resultado eleitoral xestionábel. |
NOS_8281 | A maior parte dos casos (141) son da área da Coruña-Cee. | A incidencia da Covid-19 na Galiza segue en caída. Segundo o último informe publicado pola Consellaría de Sanidade, con datos recadados até as 18 horas do sábado, os casos activos descenden a 443 (oito menos que na xornada anterior). Por áreas sanitarias, á cabeza está A Coruña-Cee con 141 (-6), seguida de Vigo, con 80 (sen cambios); Compostela-O Barbanza, con 71 (-2); Ourense-Verín-O Barco, con 60 (-5); Lugo-A Mariña-Monforte, con 45 (-1); Pontevedra-O Salnés, con 33 (+5), e Ferrol, con 13 (+1). Así as cousas, os novos contaxios volven minguar até os 26 (-2), e a taxa de positividade fica en 0,51%. Até o momento practicáronse no país 2.870.309 probas PCR, deixando máis de 180.000 positivos. No que atinxe á presión hospitalaria, soben a oito as persoas ingresadas nas unidades de críticos (+1) e fican 27 en planta (sen cambios). Desde o inicio da pandemia faleceron na Galiza diagnosticadas coa Covid-19 2.646 persoas. Fronte a iso, 179.685 persoas diagnosticadas deste coronavirus curáronse en toda Galiza desde o comezo da crise sanitaria, que representan 34 máis que as contabilizadas até o día anterior. |
NOS_40597 | O equipo que dirixe o catedrático da USC Ángel Carracedo lidera unha investigación internacional sobre as cualidades xenéticas que podan levar a unha persoa a desenvolver unha infección máis grave ao contaxiarse de coronavirus. | A busca de determinantes xenéticos e biomarcadores xenómicos de risco que poidan predispor a unha persoa a sufrir unha infección a causa do coronavirus máis grave, ou que mesmo poidan causar a morte en persoas aparentemente sen factores de risco asociado, é o principal obxectivo da investigación dirixida polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, responsábel do grupo de Medicina Xenómica e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica do Sergas, Ángel Carracedo, investigador do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC. "Os datos clínicos, é dicir, signos, síntomas e achados, así como os antecedentes persoais e epidemiolóxicos recolleranse nunha base de datos común xa deseñada para este proxecto", explica Ángel Carracedo. "Atoparemos así determinantes xenéticos/xenómicos de risco e mala evolución que permitan unha mellor estratificación das pacientes e a adecuación e optimización de protocolos terapéuticos", engade. Xunto a Carracedo, coordinará este proxecto internacional o director científico do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Raras, Pablo Lapunzina. Máis de vinte hospitais, así como grupos de investigación de alto nivel, conforman este consorcio que acometerá, ademais, a busca de biomarcadores xenómicos de risco ou protección en pacientes que teñan recibido tratamento durante a infección e que evolucionaran de maneira dispar. Un ano para estudar 8.000 pacientes Este proxecto estudará a 8.000 pacientes con infección polo coronavirus, o SARS-CoV-2, que teñan un test microbiolóxico positivo, tanto do Estado como doutros países do mundo. Concretamente, centrarase en 7.000 pacientes de España e outros 1.000 de países latinoamericanos, cunha maior mestura xenética. O consorcio desenvolverá un estudo de asociación de xenoma completo (GWAS) na mostra de 7.000 pacientes españois e un estudo de secuenciación de xenoma completo en 300 pacientes seleccionados. O GWAS realizarase no Centro Nacional de Xenotipado na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que depende do Sergas, e dirixe o propio Carracedo. O Instituto de Saúde Carlos III financiará a este consorcio, que tamén coa axuda da Fundación Amancio Ortega. Dede o Centro de Investigación Biomédica en Rede coordinarán a investigación, que está previsto que remate en un ano. Na súa execución intervirán investigadoras de Compostela, Vigo, Lugo, A Coruña, Santander, Madrid, Bilbao, Valladolid, Segovia, Granada, Barcelona, León, Soria, Burgos, Sevilla, Lleida e Tenerife, así como de varios países de Latinoamérica e Europa como Arxentina, Uruguai, Brasil, México, Colombia e Reino Unido. |
PRAZA_14 | Os letrados do goberno autónomo madrileño solicitan unha dura condena para o galego Pablo Crespo, número dous da Gürtel e que ocupou cargos na administración galega durante os anos da trama. | Os letrados da Comunidade de Madrid aseguran que Alberto López Viejo, ex conselleiro de vicepresidencia con Esperanza Aguirre, concertouse entre 2004 e 2008 co líder da trama Gürtel, Francisco Correa, para conseguir que a organización dos actos institucionais ou conmemorativos aos que asistise a ex presidenta da autonomía fosen adxudicadas ás empresas seleccionadas con Correa a cambio da súa comisión. Por iso, piden 22 anos de cadea para Alberto López Viejo e tamén 18 para Correa e para Pablo Crespo, ex secretario de Organización do PP de Galicia e outro dos líderes da trama de corrupción, tal e como desvela a Cadena Ser. A xustiza xa asumira tras a investigación dos papeis de Bárcenas as conexións co presunto financiamento ilegal do PP galego por parte da trama Gürtel a través de Crespo a finais dos anos 90. Os letrados da Comunidad de Madrid piden 18 anos de cadea para Pablo Crespo, número dous da Gürtel Agora, neste primeiro escrito de acusación o goberno autónomo madrileño pide 18 anos de cadea para Pablo Crespo, número dous da trama, por suborno, malversación, falsidade e fraude. É idéntica á pena que solicita para o líder da Gürtel, Francisco Correa. En total, os letrados da Comunidad acusan 14 dos 43 procesados polo xuíz Pablo Ruz na denominada época I da Gürtel, que abrangue o período comprendido entre 1999 e 2005, porque se trataría dos únicos que intervirían na suposta fraude ao Goberno autonómico. Pablo Crespo, un dos principais implicados e líderes da Gürtel, atópase en liberdade condicional e os papeis de Bárcenas relacionárono co suposto financiamento irregular do PP en Galicia, que tería ingresado máis de 20 millóns das antigas pesetas. Quedan aínda as peticións de condena que reciba o ex secretario de Organización dos populares galegos por supostas irregularidades cometidas tamén nos anos 90. O caso é que entre 1999 e 2005 Crespo foi conselleiro de Portos de Galicia (2003-2005), sendo Núñez Feijóo conselleiro de Política Territorial. O ex secretario de Organización do PPdeG foi conselleiro de Portos de Galicia durante a época na que tería cometido estes delitos Ademais, e segundo este escrito do executivo madrileño, Alberto López Viejo conseguiu a penetración da trama Gürtel en case todas as concellerías do Executivo autónomo, cun total de 348 actos contratados por 8,7 millóns e todos os eventos "institucionais ou conmemorativos aos que asistise" Esperanza Aguirre, sen o coñecemento desta ou dalgún alto cargo máis na Comunidade. Os avogados piden 22 anos de cadea para López Viejo, ademais de multas superiores aos cinco millóns de euros por delitos de suborno, malversalición, falsidade dcumental, fraude á administración pública e tráfico de influencias. |
NOS_21730 | Iniciamos unha serie de achegas para comprender como encaran as forzas políticas as as eleccións municipais nas cidades e principais vilas. Na Coruña só hai unha cousa clara: o próximo goberno terá de ser plural, isto é, un gabinete de coalición, pois o ensaio destes catro anos dun goberno monocolor en minoría pasará á historia. Eis un extracto da análise, publicada no número 331 de Sermos Galiza. | Cos resultados de maio de 2011 sobre a mesa –Marea Atlántica e PP, 10 asentos no salón de plenos; PSdeG-PSOE, 6; BNG, 1–, a dirección da confluencia local tomou unha decisión ben arriscada que acabaría por marcar o desenvolvimento de todo o seu mandato: a de gobernar en solitario. Ficaba fóra a outra opción politicamente racional, o bipartito coa lista encabezada por Mar Barcón. "Houbo dous factores básicos que pesaron sobre esa decisión", relata para Sermos unha fonte ben familiarizada con esa parte da historia. "O primeiro, a consciencia de que o PSdeG de Mar Barcón estaba tomado polo vazquismo, co que iso representa de intereses urbanísticos e demais. O segundo, a idea de que os bipartitos co PSOE con frecuencia acaban mal para as forzas non sistémicas. Aí pesou, por exemplo, o recordo dos gobernos do BNG co Partido Socialista en Vigo e Ferrol", acrecentan. A Marea Atlántica decidiu, pois, gobernar en minoría. 10 sobre 27 edís. "O problema para nós", di a Sermos un dirixente do PSdeG crítico coa corrente vazquista, "é que demos o si na investidura a Xulio Ferreiro sen negociar nada a cambio. Foi un erro estratéxico que pagou caro o partido e que tamén pagou caro a cidade. Teriamonos aforrado boa parte do bloqueo institucional destes anos, coas interminábeis negociacións arredor dos orzamentos, se tivesemos posto como condición para o si a Ferreiro a nosa entrada nun goberno de coalición". Salvo sorpresa maiúscula ese problema non se vai volver presentar unha vez que se abran as urnas o 26 de maio próximo e se conten os votos emitidos. Todos os agoiros demoscópicos e as impresións recollidas por Sermos de distintas fontes permiten predicir que ningunha forza política poderá gobernar en solitario a cidade no próximo mandato. O pacto vai ser inevitábel e alén de máis, moi probabelmente vaia ter de ser a tres e non a dous, xa sexa polo flanco do progresismo e o nacionalismo (Marea Atlántica, PSdeG-PSOE, BNG), xa sexa polo da dereita, agora máis fraccionada que nunca (PP, Ciudadanos e Vox). [Podes ler a análise íntegra no número 331 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_46045 | O laudo arbitral permítelles recuperar o beneficio que perderan coa extinción de último convenio colectivo. | O persoal pasivo de Endesa recuperará os beneficios sociais vinculados ao extinto convenio colectivo e, polo tanto, volverán desfrutar da tarifa eléctrica con que contan as integrantes do cadro de persoal. Así figura no laudo arbitral ditado polo ex ministro de Traballo con Goberno de Aznar, Manuel Pimentel, que exerceu como árbitro nas negociacións do convenio colectivo da firma enerxética após 26 meses de negociación sen acordos. Con esta medida, as xubiladas da compañía recuperarán un consumo bonificado pola empresa de até 9.000 kilovatios hora (Kwh) distribuído en dous tramos, 6.000 KWh compensados a 100% e 3.000 KWh adicionais recoñecidos a 50% do prezo estabelecido para a retribución en especie. O laudo deixa sen efecto o ditame da Audiencia Nacional que dera a razón á compañía no conflito cos sindicatos e considerara que, unha vez extinguido o convenio colectivo sen acordo, os beneficios sociais do persoal xubilado de Endesa (non así o persoal en activo), vencellados ao convenio colectivo, quedaban extinguidos. Desde a compañía destacan que a resolución do laudo arbitral "é moi positivo para todas as partes, xa que permitirá firmar en breve o convenio colectivo". Saídas voluntarias Un aspecto que afecta en gran medida ás traballadoras da térmica de Endesa nas Pontes é que o novo convenio, que terá unha duración de seis anos, de 2018 a 2023, mantén o acordo de garantías, o que significa que, en pleno proceso de transformación da compañía, non haberá despedimentos por motivos organizativos. Ademais, recolle a xubilación obrigatoria unha vez cumpridos os requisitos para a xubilación ordinaria, e un plan de saídas voluntarias para o persoal con máis de 50 anos que teña a lo menos 25 anos cotizados. |
PRAZA_5415 | O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia (BNG), chama a atención a través de varios vídeos en youtube sobre as aglomeracións que se formaron nos últimos días na praia das Catedrais, e reclama que Xunta e Goberno central adopten medidas, coma a decaración de Parque Natural. | A Praia das Catedrais, en Ribadeo, rexistrou na maior parte dos días festivos desta última semana intensas aglomeracións, longas fileiras de espera nas súas entradas, e atascos de máis de dous quilómetros de lonxitude nos seus accesos, dende a propia autovía. Milleiros de turistas pasaron por elas, facendo moi incómoda a súa visita e poñendo en risco a integridade do espazo e as súas riquezas naturais. O alcalde da vila, Fernando Suárez Barcia (BNG), colgou nos últimos días varios vídeos en youtube nos que chama a atención sobre o sucedido e nos que tamén esixe que as distintas administracións con competencias adopten medidas. "En Ribadeo estamos moi orgullosos de recibir cada ano máis visitantes. Tamén de que un dos reclamos máis efectivos sexa a universalmente coñecida Praia das Catedrais. Agora so queda que a coñezan a maiores dos de Ribadeo e o resto de cidadáns do mundo os responsables da Xunta e do Ministerio de Medio Ambiente", comeza un dos vídeos. "A ver se entre todos facemos que siga sendo un reclamo turístico e económico de primeira magnitude e non que acabe morrendo de éxito, como todo parece indicar", di Suárez Barcia denuncia que "se está convertendo nunha romaría na que a xente que nos visita non creo que leve unha boa impresión" e subliña: "estamos na Semana Santa, imaxinádevos o que pode ser isto no verán". Entre as medidas de protección que propón para potenciar o espazo e protexer as súas riquezas está a declaración do Parque Natural das Catedrais. |
NOS_43942 | A xubilación do único xinecólogo do COF do Ventorrillo sementou entre o cadro de persoal a dúbida sobre a súa continuidade. A consellaría de Sanidade di que cómpre librar as dependencias en que agora se asenta, a dirección médica aínda non foi nomeada e as axendas están pechadas. O desmantelamento suporía que o outro centro, o de Orillamar, asumiría a demanda de toda a comarca sanitaria, pola volta de 40 concellos | A xubilación do único xinecólogo que presta atención no Centro de orientación familiar (COF) do Ventorrillo, na Coruña, deixa este servizo sen atención xinecolóxica e coloca riba da mesa a dúbida sobre se seguirá funcionando. De momento, o Sergas, dependente da consellaría de Sanidade, anunciou xa que a praza deste profesional será amortizada. "Tememos que aproveitando a xubilación queiran prescindir do centro", apunta integrantes do cadro de persoal, pois desde a Xunta comunicáronlles tamén que as instalacións en que hoxe se ubica deberán ficar baleiras "e que non teñen outras". A dirección médica non foi nomeada aínda, e as axendas están fechadas. Atender as necesidades de 152 mil mulleres Este COF, creado a raíz dun plan ministerial de Centros de orientación familiar executado en 1983, foi o primeiro en funcionar na provincia da Coruña e brinda atención a 61.674 mulleres dun total de 37 concellos da contorna. De botar o feche, toda a comarca sanitaria coruñesa tería que procurar consulta no outro COF da Coruña, o de Orillamar, cun cadro de persoal mixto dependente do Sergas e do Goberno municipal --en virtude dun convenio coa Xunta-- e onde o e a xinecólog@s atenden xa unha poboación de 90.800 mulleres, segundo datos de 2011 tirados do Instituto estatal de estatística (INE). Sumados os censos de ambos COF, es@s dúas xinecólog@s terían que atender pola volta de 152 mil mulleres. A equipa de Orillamar consultaría tamén os homes de entre 15 e 70 anos que así o requiran. A cifra do INE fai referencia a mulleres en idade fértil, de entre 15 e 54 anos, se ben @s traballador@s aseguran que até as instalacións de ambos COF tamén se achegan mulleres de menor idade na procura de información relacionada sobre todo coa interrupción voluntaria do embarazo. Do posíbel desmantelamento xorde unha pregunta que a equipa médica translada á Xunta: "que pasa cos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres?", pois remarcan que esta medida suporía máis unha agresión a estes dereitos. A OMS recomenda tres centros e podería quedar un sóApós transladar o COF de local en varias ocasións, coa conseguinte "desorientación" que o cambio de ubicación provocaba nas usuarias, o cadro de persoal ten agora dúbidas sobre se este espazo manterá abertas as súas portas, ao non contar xa cunha das patas da equipa multidisciplinar que o integraba: unha enfermeira, unha psicóloga, unha traballadora social especialista en planificación familiar, unha auxiliar de clínica e un xinecólogo. Segundo as recomendacións da Organización mundial da saúde, tomando en conta a poboación e que nestes centros se derivan mulleres de concellos fincados no rural e na contorna da Coruña, a cidade debera contar con polo menos tres COF. Ten dous, e o cadro de persoal de ambos dubida da continuidade do de Ventorrillo. Ambos centros son os puntos de referencia en materia de anticonceptivos, problemática afectivo-sexual, conflitos de parella, a IVE e incluso á hora de procurar axuda perante unha situación de violencia machista. Información para abortar e revisión de métodos anticonceptivosAsí as cousas, aquelas mulleres grávidas que non queren ser nais son derivadas en primeira instancia até estes COF para que lles faciliten a información que contempla a LO 2/2010 e a onde teñen que voltar aos tres días, periodo 'de reflexión' obrigatoria que contempla a normativa vixente; son est@s profesionais as que redactan o informe que chegará ao Sergas para que á embarazada se lle practique o aborto solicitado. No COF do Ventorrillo fanse tamén citoloxías --evitando que problemáticas puntuais deriven en patoloxías maiores e requiran de atención primaria-- e colócanse métodos anticonceptivos, practicando as correspondentes revisións ao redor de efectos secundarios ou complicacións que poidan xurdir após a súa colocación. Esta atención "garante que as mulleres poidan escoller por si propias manexando toda a información, e non que escolla por elas un médico de cabeceira", apuntan traballador@s do centro, subliñando que o que está en xogo non son nin unhas instalacións dun COF nin os despedimentos do cadro de persoal, senón "a autonomía de todas esas mulleres". Coa situación actual había xa unha lista de agarda de entre tres meses e un ano, agás na primeira consulta --informativa-- ou perante a recomendación dun anticonceptivo cuxo uso non require revisión xinecolóxica. "Se se absorve o COF e non dispoñen do cadro de persoal de Ventorrillo aumentará a lista de agarda porque é imposíbel atender tanta demanda, e a consecuencia segura é que aumentarán os embarazos non desexados", remarcan. Teñen claro que este centro, sen o xinecólogo, de non fechar ficaría relegado a "un dispensario" de anticonceptivos. |
NOS_31954 | No anterior desconfinamento os casinos abriron até altas horas da mañá | Os estabelecementos do sector do xogo, fechados na actualidade a causa das restricións da Xunta da Galiza fronte á pandemia, agardan como auga de maio a chegada da segunda feira, que será cando o Goberno galego anuncie, previsibelmente, unha relaxación das limitacións. O sector espera saír máis beneficiado que a hostalaría, tal e como aconteceu no desconfinamento anterior, xa que contaron cun horario moito menos limitado que os bares, fechando non antes das 4 da mañá, e todo, a pesar de teren despacho de bebidas alcólicas. Unha realidade que, en palabras da deputada socialista Paloma Castro, provocou un "transvasamento de clientela" , maiormente xuvenil, desde os bares, cando estes fechaban, ás casas de apostas na procura de espazos de socialización nocturnos, co risco engadido de seren estes, negocios do xogo. Para a deputada, as normas da Xunta que regularon as restricións horarias do sector do xogo constituíron ademais competencia desleal cara á hostalaría, polo que pediu que non se repita na nova desescalada. Na comisión de Interior do Parlamento galego e en resposta a Castro, o director xeral de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva, recoñeceu que as adicións si están a aumentar na sociedade, mais que estas non se deben, dixo, ao xogo presencial senón ao en liña, "que é de competencia estatal". Villanueva asegurou ademais que non é comparábel a hostalaría e o xogo, pois son sectores diferentes e aseverou que as zonas de bar dos bingos e casas de apostas cumpriron as mesmas restricións que a hostalaría ao deixaren de servir bebidas á mesma hora que o tiñan que deixar de facer os bares. O director xeral tamén incidiu en que a Lei de acompañamento dos orzamentos 2020 frea a apertura de novos estabelecementos até que o Parlamento aprobe a nova lei do xogo, polo que os salóns están limitados a 118 na Galiza, as tendas de aposta a 41, a 12 os bingos, e a 4 os casinos (dous locais mais dúas salas adicionais). Axudas millonarias En resposta a unha pregunta de Luís Bará (BNG), Villanueva informou de que a recadación pública da Xunta polo gravamen ao sector do xogo foi en 2019 de case 61 millóns de euros, mentres que en 2020 baixou a 35 millóns, a causa das restricións pola pandemia, razón pola cal xustificou que a Lei de medidas fiscais, aprobada o pasado 26 de xaneiro, aplique unha bonificación a casinos e bingos equivalente a 20% da débeda tributaria devindicada correspondente ao período impositivo de 2020. Para o caso das máquinas de xogo a dedución poderase aplicar a 30%. |
NOS_38654 | Unha navieira recoñece abertamente a sobrevenda: "É así, non ten sentido negalo". A Confederación de Empresarios de Pontevedra bate contra a xestión da Xunta neste asunto. | A sobre-venda de billetes non sería unha novidade "deste ano nen dos anteriores", dixo unha portavoz de Piratas de Nabia, unha das navieiras que presta os seus servizos en Cíes. O domingo, por volta de 2.000 persoas non puideron acceder a este espazo natural protexido ao se ter comprobado que se venderan billetes por cima do permitido. Agora fontes do sector recoñecen que é unha práctica habitual, a Xunta -a conselleira Bea Mato- amaga con levar o asunto á Fiscalía e a Confederación de Empresarios de Pontevedra deplora a "má imaxe" que se está a oferecer e acusa o goberno galego de ter ollado para outro lado. "Preocúpanos que, coñecendo os abusos, a Xunta non forzase a adopción dun sistema de control máis eficiente ou que agardase a final da temporada estival para actuar", di a patronal pontevedresa nun comunicado. Esta segunda feira voltou a se producir o fenómeno do domingo, isto é, centos de persoas con billetes irregulares (hai serios indicios de reimpresións fraudulentas de entradas xa vendidas por internet) que ficaron en terra e non puideron deslocarse ás illas. Perante isto, a Xunta anunciou que actuará con "contundencia" para as navieiras aterense escrupulosamente ao cupo de viaxeiros estabelecido en 1994. segundo o cal a capacidade das Cíes é de 2.000 persoas máis 800 campistas. No que vai de ano, a administración galega ten aberto un total de 26 expedientes contra as catro navieiras (Mar de Os, Nabia, Tour Rías e Cruceiros Rías Baixas) que xiren as rotas a Cíes, 6 dos cales por sobre-venda (os correspondentes aos días 3 e 5 de agosto). Por súa parte, o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, puxo no albo das súas críticas Feijóo. "Nun día a Xunta destrozou anos de traballo en favor das Illas Cíes", dixo. "Se a Xunta non está capacitada, que me ceda as competencias", alegou. |
PRAZA_3042 | Tres anos e medio despois, o Goberno galego aínda vai encargar agora a redacción do proxecto para unhas obras que cuantifica en 8,8 millóns de euros | Tres anos e medio despois, o Goberno galego aínda vai encargar agora a redacción do proxecto para unhas obras que cuantifica en 8,8 millóns de eurosO 7 de setembro de 2016, dúas semanas antes das últimas eleccións galegas, Alberto Núñez Feijóo prometeu un parque acuático para Ourense. Este venres, case tres anos e medio despois, a Xunta púxolle data: o verán de 2023. Fíxoo na presentación de diversas obras a realizar nas instalacións deportivas con piscinas xa existentes en Monterrei, no concello de Pereiro de Aguiar veciño da capital provincial. Alí o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, indicou que o Goberno galego aínda vai encargar agora a redacción do proxecto técnico, necesario para despois executar unhas obras que constarán de tres fases cun orzamento de 8,8 millóns de euros.Antes de que Feijóo lanzase a súa promesa boa parte da clase política ourensá tomaba a broma unha idea similar cando a propuña Jácome, agora alcalde, que insiste noutro parque acuático ligado ao termalismo ao outro lado da cidadeCando na campaña das eleccións galegas de 2016 Feijóo anunciou, acompañado polo presidente da Deputación e do PP de Ourense, José Manuel Baltar, que a Xunta e a institución provincial impulsarían un parque acuático no complexo deportivo de Monterrei, no que xa hai varias piscinas, todos os medios locais coincidiron en destacar a promesa como a principal das enunciadas daquela polos populares para a provincia. Porén, pouco tempo antes boa parte da clase política ourensá tomaba a broma unha idea similar cando a propuña o populista e popular líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, que con esa e outras promesas é hoxe alcalde da cidade cun bipartito co PP. De feito, tras aquela promesa de Feijóo, Jácome apresurouse a felicitar ao líder popular: "En Democracia Ourensana sentimos o que se coñece como o orgullo do mestre. E ríanse de nós cando propuxemos a idea".Tras as eleccións de 2016, a Xunta non volveu falar do parque acuático ata dous anos despois, cando anunciou un estudo de viabilidade e cifrou o investimento en 6 millóns de euros, que o pasado agosto aumentou a 9Pero unha vez revalidada a presidencia da Xunta, aquela promesa da última campaña electoral galega non acabou de arrancar. Non foi ata dous anos despois que o Goberno galego volveu meter o parque acuático na axenda política cunha visita da daquela secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, ás instalacións de Monterrei, onde anunciou que serían remodeladas tras un estudo de viabilidade por parte dunha "consultora especializada no deseño de parques acuáticos". Daquela o Goberno galego aseguraba que barallaba "un investimento próximo aos 6 millóns de euros e unhas dimensións ao redor dos 35.000 metros cadrados", características que levaron tanto a Democracia Ourensana como o PSdeG a considerar o proxecto "ridículo" e "unha charca". O pasado agosto, nunha nota de prensa sobre outras obras en instalacións deportivas de Ourense, a Xunta xa elevaba a 9 millóns de euros o investimento necesario para "a creación do novo parque acuático do complexo deportivo de Monterrei"."Os prazos de actuación indican que a zona acuática estará completamente rematada antes do verán de 2023", di agora a XuntaAgora, despois de que xa desde a alcaldía Jácome insistise no seu proxecto de parque acuático, ligado ao termalismo e situado en Untes, ao outro lado da cidade, a Xunta dá conta dos prazos cos que traballa. Segundo indicou este venres, o primeiro que se vai facer en Monterrei será mellorar as instalacións deportivas xa existentes cun millón de euros, unhas obras que comezarán "no primeiro trimestre de 2020 para que estean finalizadas en verán". Ao tempo, o Goberno galego di que para o parque acuático "a redacción do proxecto sairá a concurso nos vindeiros meses e constará de tres fases diferenciadas: a piscina familiar, a piscina infantil e os tobogáns de adrenalina". Segundo a Xunta, que cuantifica as obras na "parte acuática" do complexo de Monterrei en 8,8 millóns de euros, "os prazos de actuación indican que a zona acuática estará completamente rematada antes do verán de 2023". |
NOS_39824 | Os trámites na Cámara son negociábeis e axustábeis, polo tanto, unha vez teña lugar o feito histórico da primeira dimisión voluntaria dun presidente galego na historia do país, Rueda será ratificado como o seu sucesor no plano institucional en "cuestión de días". | O XVIII Congreso do PPdeG será extraordinario e, salvo sorpresa, situará ao pontevedrés Alfonso Rueda como xefe de filas dos populares galegos e, por tanto, candidato ás eleccións galegas de 2024. Previamente, no caso de respectarse o calendario "planificado e ordenado" que avanzou Feixoo, o vicepresidente primeiro da Xunta ascendería e sería investido no seu novo cargo institucional co apoio da maioría absoluta que o PPdeG ten no Parlamento da Galiza. Os trámites na Cámara son negociábeis e axustábeis, polo tanto, unha vez teña lugar o feito histórico da primeira dimisión voluntaria dun presidente galego na historia do país, Rueda será ratificado como o seu sucesor no plano institucional en "cuestión de días". Entre tanto, e de forma paralela, o tempo para o próximo congreso (sobre un mes) empezará a descontar desde mañá mesmo, coa súa convocatoria no marco dunha Xunta Directiva que foi convocada polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, que dirixe o partido de forma interina desde que Feixoo fixese as maletas para tomar as rendas en Xénova. O congreso da sucesión será convocado xusto o día no que se cumpren 13 anos da primeira toma de posesión de Feixoo como presidente galego. Terá lugar ás 17.30 horas no Hotel Eurostars de San Lázaro, en Compostela, e intervirán tanto o líder estatal do PP como Tellado. Unha fin de semana de fotos Aínda que aínda non confirmou oficialmente a súa intención de concorrer ao congreso -e non se poderá afirmar que ninguén máis dá o paso até que se feche o prazo para presentar candidaturas-, Rueda recibiu o apoio público dos outros tres presidentes provinciais e dos principais dirixentes de cada unha das provincias. Ademais, fecha a Semana Santa con dúas fotos significativas: a imaxe con Mariano Rajoy no Roteiro dá Pedra e dá Auga; e o seu paseo con Feixoo, quen se desprazou até Moaña (Pontevedra) para descansar uns días. |
NOS_52466 | Alberto Mira, Berto (Pontevedra, 1997) e Fernando Peleteiro, Fer (Compostela, 1997) conforman Verto. Estes dous amigos estudantes de Medicina veñen de se embarcar nun proxecto a medio camiño entre a música disco e o pop, con moitas ganas remover a escena musical galega e de reconectar a mocidade coa música en galego. Ambos poñen voz ás cancións e a produción corre a cargo de Fer. Eis un estrato da entrevista publicada no número 374 do semanario en papel Sermos Galiza. | Como xorde o grupo? Alberto Mira, Berto: Desde que nos coñecemos en primeiro de carreira, porque os dous estudamos Medicina. Levabamos moitísimo tempo pensando en facer música. Nunca estivemos no mesmo punto de coincidir no que queriamos facer. Agora pois ambos queriamos facer música máis moderna en galego, que soase discotequeira. Tiramos para diante con esa idea e a verdade é que as nosas preferencias musicais encaixaron. Fernando Peleteiro, Fer: Hai que dicir que Berto xa levaba bastante tempo compoñendo e facendo cousas nun estilo que eu non compartía tanto. Eu sempre fun moitísimo máis parado para tirar para adiante, compoñer e sacar cousas. Ao voltar do verán Berto xa fixera varios temas, ensineille o que eu tiña por alí e uns días despois chegou coa idea de Amolecer. Nunha tarde tiñamos a idea completa da canción. Xa viñades entón facendo música por separado? F.: Eu non estaba facendo nada de música, Berto estaba comezando a compoñer algunhas cousas. B.: Si, eu teño unha canle de Youtube que se chama La primavera de Bandini na que empecei coas miñas cancións este verán. Agora en Spotify estamos como Verto mais en Youtube as cancións están na miña canle. F.: La primavera de Bandini serviu como unha idea de Berto dunha canle de Youtube que fose un pouco como unha plataforma para que a xente se animase a subir arte en galego. É moi importante, porque até o de agora non lle demos a publicidade suficiente pero a min é o que máis ilusión me fai de todo. Utilizar isto para que máis xente se quente e diga: «Pois si que podo facer música chula en galego!» e saia e poña cousas, desde música até curtas de animación ou sketchs. Como definiriades o voso estilo? F.: Sabes que pasa? Con Rebolando por ti cambiou moito. Non ten nada que ver co anterior. Pero si que nos encadraría nun estilo entre pop e disco. B.: A nosa intención é que sexan cancións modernas pero de estilo antigo, deste dos sintes, discotequeiro dos oitenta. F.: E que sexan pegadizas, o noso obxectivo sempre é que desde que a escoitas a primeira vez se che quede un anaquiño da letra para que a volvas escoitar. Fan falta máis iniciativas deste tipo na Galiza? F.: A ver, hai moita cousa. Ben, moita cousa… para a poboación que somos penso que é bastante. Eu este verán descubrín moitas cousas que logo lle mandaba a Berto, «Acabo de descubrir Ataque Escampe, están bastantes chulos». O que non hai, até Boyanka Kostova, é un estilo tan moderno. E mesmo Boyanka Kostova é moderno pero até o extremou ou satirizou un pouco, tanto autotune e tanto trap. Nós somos dese estilo moderno, mais tamén o estamos facendo en serio. [Podes ler a entrevista íntegra no número 374 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
PRAZA_78 | De Lara cre que "non cabe dúbida" de que a testemuña "clave" na póla coruñesa do caso sufriu "acoso" laboral por colaborar coa Xustiza. A maxistrada recea de que o traballador fose detido pola Policía Local de Ferrol cuxo xefe, destaca, estivo antes baixo o mando do tenente de alcalde coruñés, imputado na causa. | No outono de 2012, apenas dúas semanas despois do estourido da operación Pokémon, un traballador do Acuario da Coruña, Antonio Pérez, dirixiuse á comisaría da Policía Nacional na cidade para "denunciar as irregularidades" que detectara nas contratacións do organismo, dependente do Concello coruñés. No entanto, non lle "recolleron a oportuna denuncia" nin "se puxo en coñecemento" do xulgado de Lugo que instrúe o caso. Quen relata estas circunstancias é a xuíza instrutora da operación, Pilar de Lara, que nun auto de casce 50 páxinas datadao no pasado día 9 lle outorga a este traballador, cuxo testemuño é "esencial" na póla coruñesa da presunta trama corrupta, a condición de testemuña protexida para frear o "acoso" que vén sufrindo por, asegura, colaborar coa Xustiza. O infrutuoso achegamento á Policía en 2012 é só o primeiro episodio dos avatares sufridos por Antonio Pérez, quen se viu obrigado a coller a baixa no seu posto de traballo en febreiro do pasado ano pola "situación de acurralamento laboral que viña sufindo por causa de opoñerse a prácticas que consideraba ilícitas". "Non cabe dúbida", di a xuíza no auto, a cuxo contido tivo acceso Praza, "de que a situación de acoso laboral" está en "íntima relación" coa súa denuncia de prácticas irregulares no Concello coruñés e, "en todo caso, vinculada á trama urdida polo Grupo Véndex para, en connivencia con diversos funcionarios públicos e autoridades políticas da Coruña, conseguir a adxudicación" de contratos do Acuario. "Segundo obra na causa", quen agora é testemuña protexida "parecái ser unha importante traba" para os supostos líderes da trama. Para a xuíza "non cabe dúbida" de que o traballador foi "acosado" polos seus superiores por colaborar na investigación Nomeadamente, Pérez "opúxose ás pretensións de ilícita adxudicación do concurso do mantemento biolóxico" do Acuario a unha filial de Véndex, tras o que "foi obxecto dunha campaña de persecución e acoso" e de "represalias" dos seus "superiores xerárquicos" que, sempre segundo a investigación, continuaron mesmo tras a súa baixa, cando "apareceron forzados varios amarios do seu despacho" no propio Acuario. Ese incidente motivou que De Lara enviase a Policía Nacional ao despacho para investigar un posible delito de "obstrucción á Xustiza". Pero, "estrañamente", cando este corpo policial chegou ao Acuario xa estivera alí "interferindo na investigación" a Policía Local, "dependente directamente do alcalde e, máis concretamente, do tenente de alcalde", Julio Flores, "imputado na causa, entre outras cousas", lembra a xuíza, polas "manipulacións presuntamente urdidas" xunto ao responsable de Véndex en Galicia, José María Tutor, para "tratar de beneficiar a empresa" con contratos do propio Acuario. "Contradicións" policiais sobre a detención en Ferrol Ademais do acoso laboral, "confirmado por outras testemuñas", o suceso que levou o traballador a solicitar a protección xudicial foi, como xa relatou este diario, a detención que sufriu en Ferrol a finais de outubro, cando, tras baixar do autobús nunha parada equivocada, lle pediu a unha condutora se o podía achegar ao seu destino, noutro concello da comarca. Tras a detención e as múltiples versións existentes sobre ela De Lara solicitou informes sobre o acontecido tanto á Policía Local ferrolá como á Policía Naciona. "Pero os informes sucesivos, lonxe de aclarar a situación, escurecíana aínda máis ao adoecer de numerosas contradicións". A maxistrada cre "relevante" que o actual xefe da Policía Local ferrolá estivo ata 2013 "baixo o mando" do tenente de alcalde da Coruña, imputado no caso Así, dende o corpo policial ferrolán detalláronse o que a xuíza define como un "cúmulo de infortunios", tales como o suposto "fallo do sistema de gravación de chamadas" que impide coñecer as verbas da condutora que informou da presenza de Antonio Pérez na vía pública ou a "perda do parte de asistencia médica" da que foi obxecto tras ser detido, toda vez que, malia ter un brazo escaiolado e unha perna lesionada, foi esposado. As "notables e flagrantes diverxencias" nas sucesivas "narracións" policiais súmanse, segundo a xuíza, ao "dato relevante" de que "o actual xefe da Policía Local de Ferrol (...) fose ata 2013 inspector principal da Coruña baixo o mando do tenente de alcalde, Julio Flores", e que ademais este mando policial "figura nas listas de Véndex como receptor de agasallos". A todo isto súmase, asemade, a "filtración" da detención dende Ferrol a un xornal coruñés, cuxa exposición dos feitos leva a De Lara a "entender que existe unha especie de conxura para prexudicar a testemuña, publicando información inveraz para desprestixialo publicamente e desacreditar tanto o seu testemuño como o resultado da instrución, aproveitando casualmente ou non", o "lamentable incidente" da detención. "Insostible presión" "Sinto como cidadá e como xuíz instrutora un enorme respecto cara ao sagrado dereito da liberdade de prensa", chega a escribir a xuíza. Pero "os medios de comunicación non deixan de ser empresas" que "en ocasións son perceptoras de subvencións públicas" ou de "publicidade de administracións e empresas", co "risco de que poidan rematar converténdose en medios auxiliares ou instrumentais de intereses políticos ou económicos que poden provocar que as súas actuacións non sempre estean guiadas polo obxectivo de informar". A condición de testemuña protexida implica custodia e prohibición de difundir a imaxe do traballador Nesta situación Pilar de Lara e "obvio" que Antonio Pérez, "pola soa condición de prestar declaración" na causa "padece unha insostible situación de presión, tanto no seu ámbito laboral como agora tamén no ámbito social". Así, pasa a ser unha testemuña protexida e "sempre que sexa preciso" poderá "ser conducido ás dependencias xudiciais" ou a outro lugar "en vehículos oficiais". Do mesmo xeito, cando estea nos xulgados permanecerá "nun local reservado" e "custodiado". Por outra banda, fica prohibido realizar fotografías "ou tomar a súa imaxe por calquera procedemento" agás que "o autorice expresamente" e os medios de comunicación tampouco poderán difundir a súa imaxe, "ben evitándoa ou pixelando integramente o seu rostro". |
PRAZA_10429 | A Mesa do Parlamento decidiu que o nome que se vote o martes para o terceiro senador, o que corresponde á oposición, sexa o de José Manuel Sande, proposto polos críticos de En Marea antes da ruptura do grupo deste xoves | A Mesa do Parlamento decidiu que o nome que se vote o martes para o terceiro senador, o que corresponde á oposición, sexa o de José Manuel Sande, proposto polos críticos de En Marea antes da ruptura do grupo deste xovesEran dúas apostas persoais do propio Feijóo en dúas prazas de futuro dubidoso e agora o presidente galego agradécelles o seu sacrificio dándolles os dous escanos de senadores por designación autonómica a que ten dereito o PP. Os ex-conselleiros e candidatos do PP o pasado 26M en Vigo e Ourense, Elena Muñoz e Jesús Vázquez, serán os que ocupen eses postos tras perder as eleccións a primeira fronte á previsible maioría absoluta de Abel Caballero e verse o segundo empregado como moeda de cambio para que Baltar manteña o control da Deputación provincial a cambio de darlle a alcaldía da cidade a Gonzalo Pérez Jácome. Aos dous senadores por designación autonómica que agora propón o PP hai que engadir un terceiro pola oposición. A Mesa do Parlamento, tras consultar cos letrados da Cámara, decidiu este venres que o nome que se vote o martes no pleno para ese posto sexa o de José Manuel Sande, proposto polos críticos de En Marea antes da ruptura do grupo deste xoves.Nas xerais o PP viu como a súa derrota a mans do PSdeG supuña pasar de 12 a só 4 senadores electos nas urnasA histórica derrota do PP en Galicia nas pasadas eleccións xerais fronte ao PSdeG fixo que os populares pasasen de ter tres senador electos nas urnas por provincia a só un, o que suscitou o debate sobre se algún dos que quedaran sen escano, como a ex-presidenta do Parlamento Pilar Rojo ou o ex-rexedor de Ferrol Juan Juncal, resultaría recolocado nalgún dos dous postos por designación autonómica que lle corresponden ao PP como primeira forza no Parlamento de Galicia. Ata agora un dos senadores por designación autonómica era Jiménez Morán, a quen Feijóo colocou no Senado tras intentar sen éxito en 2010 quitarlle o control do PP en Ourense aos BaltarEses dous postos estaban ocupados ata agora por Juan Manuel Jiménez Morán, ex-alcalde de Verín, e por Fernando Carlos Rodríguez, que fora alcalde de Bóveda. A designación no seu momento de Jiménez Morán para ese escano xa fora lida como un agradecemento de Feijóo por intentar en 2010, sen éxito, quitarlle o control do partido en Ourense aos Baltar. Agora ese agradecemento cun posto no Senado vai para as dúas apostas persoais sacrificadas nas municipais en Vigo e Ourense.En Ourense Jesús Vázquez viuse na tesitura de ter que votar a favor de Jácome como alcalde no pleno de investidura do pasado sábadoElena Muñoz e Jesús Vázquez eran dous dos cinco ex-conselleiros que Feijóo presentou ás municipais o pasado 26M como apostas persoais, dos que só un, José Manuel Rey Varela, mellorou resultados pero insuficientes para gobernar. En Vigo Feijóo xa encargara en 2015 á súa daquela conselleira de Facenda Elena Muñoz intentar socavar a alcaldía a Abel Caballero. Tampouco o logrou o pasado 26M no seu segundo intento, no que o socialista, como xa prognosticaban as enquisas, acadou o 67% dos votos deixando o PP por baixo do 14%. Agora Muñoz será senadora. Tamén en 2015 Feijóo decidira prescindir do seu daquela conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, para que fose o candidato do PP en Ourense. Logrou a alcaldía como candidato máis votado pero en minoría e a imposibilidade de chegar a acordos nin co PSdeG nin coa Democracia Ourensana de Jácome converteu o seu mandato municipal nun calvario. Aspirou á reelección o pasado 26M pero o PP optou por sacrificalo e darlle a alcaldía a Jácome a cambio de que este manteña na Deputación a Baltar. O propio Vázquez viuse na tesitura de ter que votar a favor de Jácome como alcalde no pleno de investidura do pasado sábado. Agora Feijóo faino senador. A elección dos tres senadores por designación autonómica resolverase definitivamente o próximo martes, cando está convocado o pleno do Parlamento que os elixirá O terceiro senador por designación autonómica correspóndelle designalo á primeira forza da oposición no Parlamento de Galicia. Esta era En Marea ata este mesmo xoves, pero a súa ruptura deixou en mans dos servizos xurídicos da Cámara decidir se o PSdeG, que agora a adiantará, resultaba beneficiado no Senado. Os críticos de En Marea xa chegaran a enviar unha proposta de senador, José Manuel Sande, ex-concelleiro de Marea Atlántica na Coruña, nome rexeitado polo portavoz do grupo, Luís Villares. Malia que Villares e tres deputados afíns pasarán agora ao Grupo Mixto, o que dará o liderado da oposición ao PSdeG, a Mesa do Parlamento decidiu que ese cambio aínda non entrou en vigor e polo tanto segue vixente a proposta de Sande como senador. A situación resolverase definitivamente o próximo martes, cando está convocado o pleno do Parlamento no que os deputados votarán aos tres senadores por designación autonómica. |
PRAZA_8242 | Trátase dun evento planetario de produción colaborativa de contidos que se realiza de forma intensiva nun período de tempo breve -ao longo deste mércores- e ten lugar nunha plataforma tipo wiki. A participación galega realizarase a través do nodo de alga-lab. | O #P2Pwikisprint é un encontro internacional, un proceso de documentación colectiva e mapexo de experiencias, que ten a súa orixe nas comunidades de programadores informáticos de Python, unha das linguaxes máis populares do software libre. A práctica extendeuse a outros ámbitos, como a escritura de libros colectivos. A P2P Foundation, entidade que lanzou este encontro internacional, realiza wikisprints para mapexar experiencias ao redor destos novos paradigmas. A participación galega realizarase a través do nodo de alga-lab. A participación galega neste evento internacional contará coa presenza de experiencias como as de COOP GZ imaxinaria de Cultura Libre e teremos a ocasión de coñecer a experiencia en torno ao mapa subxectivo de Valadares, servirá de ocasión para coñecer o encontro Nacional de Aruitecturas Ciolectivas, e presentarase o Laboratorio móbil que está impulsando Agronautas, estudio PEZ. A presentación da moeda BITCOIN tamén estará presente e por último os montes veciñais en man común tamén terán o seu oco, a través da presentación do proxecto O Monte é Noso_sachando procomun Teñen confirmada a súa participación no #wikisprint máis de cen organizacións, redes, colectivos, empresas, institucións, do Media Lab Prado de Madrid, ao colectivo SurSiendo de Chiapas, da Escola dos Comúns de Barcelona a CulturaPeru, da Secretaría de Economía Creativa do gobierno de Brasil ao colectivo Hacktivistas, de Inicitaiva Focus a moitos grupos vinculados ao movemiento 15M, Goteo.org, FixMedia.org, La Lata Muda, entre outros. Programa da actividade galega no #P2Pwikisprint 11:30h presentación do COOP GZ Imaxinaria de Cultura Libre 13:00h presentación do proxecto mapa subxectiva de Valladares 14h pausa :: xantar común 16:00h presentación do proxecto encontro nacional de Arquitecturas Colectivas 2013 16:30h presentación do proxectos agronautas & PEZ [estudio] => lab agroestación 18:00h presentación BITCOIN (moeda P2P) 19:30h presentación O Monte é Noso_sachando_procomun Como conectarse 10:00h apertura punto de streaming Alg-a Laboratório para presentación de proxectos http://giss.tv:8000/alg-a.ogg ou http://bambuser.com/channel/alg-a sala de chat #P2PwikisprintGZ en http://webchat.freenode.net/ streaming xeral http://thinkcommons.org twitter HT #P2PWikisprint participación en debates e xeración de información |
NOS_23037 | A plataforma Queremos Galego, constituída por medio millar de entidades sociais e culturais da Galiza, convoca a sociedade galega a se manifestar en defensa da lingua este 17 de maio en Compostela. 'Nós Diario' conversa co seu portavoz, Marcos Maceira, arredor do idioma, que demanda "un novo futuro para vivir en galego". | —En que situación chega o galego a este 17 de maio? Aquí hai dúas cuestións importantes. Unha é que hai unha sociedade activa arredor da lingua, e viuse neste último ano en relación ao audiovisual e a sentenzas que se gañaron grazas á vontade cidadá de conseguir dereitos lingüísticos; e a outra é que hai un completo desleixo por parte das administracións públicas, tanto da Xunta, que ten máis responsabilidade porque goza das competencias en materia de lingua, como do Estado, que impide mesmo que se poida cumprir a pouca lexislación que ampara o galego. En consecuencia, a situación é preocupante. É moi difícil vivir en galego e é moi difícil que a lingua avance porque non existe a disposición mínima para garantir un contexto onde as familias poidan transmitir a lingua e as persoas que se queiran incorporar a ela, empregala. —As cifras dos últimos anos reflicten un uso regresivo do galego, sobre todo entre a xente moza das áreas urbana. Apuntan unha perda de transmisión, de coñecemento e de falantes que fai que o idioma tamén perda presenza como lingua de comunicación. É resultado da falta de galego na vida social e da falta de compromisos dos poderes públicos por xerar esa presenza, esa dispoñibilidade do galego. É evidente que en galego non temos practicamente nada. Menos de 1% dos seguros están en galego, menos de1% das sentenzas están en galego, menos de 0,4% dos xoguetes están en galego, menos de 0,5% de todo canto hai dispoñíbel no audiovisual está en galego. O raro sería que con estes datos a lingua mellorase a súa situación. Non é para estar satisfeitos pero si podemos sentir certo orgullo de que, a pesar da exclusión sistemática da lingua, o galego segue vivo. Iso é o sorprendente, non os datos. Queremos Galego insta a mobilizarse o Día das Letras en Compostela "polo futuro da lingua" —Sempre se sinala o ensino como un dos ámbitos máis adversos para a lingua. Que responsabilidade ten no seu retroceso? Hai outros moitos factores que contribúen á situación da lingua, pero o ensino é un elemento principal. Os datos son elocuentes. Só no 8% das escolas infantís das cidades hai un emprego mínimo do galego, que di moito da exclusión permanente do galego nun ámbito onde os nenos pasan moito tempo. Tamén na primaria e na secundaria, onde nin sequera se chega ao nivel de 33% que fixa, como mínimo, o decreto do plurilingüismo. Nesas etapas podemos falar dunha omnipresenza do castelán, porque, ademais, fóra do ensino, no lecer, nas extraescolares, no audiovisual a exclusión do galego é moito maior. Non hai ámbitos de aprendizaxe nin de oferta nin de posibilidade de uso do galego. —Como pode gañar falantes a lingua sen unha presenza maioritaria e diversa? Non se pode pretender convencer a ninguén de que fale galego cando despois non ten posibilidade de empregalo, polo menos nos ámbitos da vida pública, no privado xa entran en xogo outro tipo de cuestións. Cómpre maior visibilidade para a lingua mais en perde de vista que, segundo o IGE, hai un 24% de menores de 15 anos que din que non saben falar galego, que senten que non teñen competencias para empregalo, o dato máis elevado de toda a historia da lingua galega. Vivir en galego para botar para arriba a lingua —Queremos Galego chama á sociedade galega a se manifestar pola lingua no Día das Letras. Que resposta esperan? Esperamos que sexa unha mobilización masiva, recuperando na rúa a normalidade que para o galego aínda non existe. O único que pedimos é poder vivir en galego e que o galego teña un novo futuro. Que ese futuro de desaparición que queren escribir para el o escribamos entre todos, mais para o seu rexurdir e normalización. O galego pide cotas de seu no audiovisual A Mesa pola Normalización Lingüística impulsou e logrou o ano pasado a aprobación da iniciativa Xabarín. "Hai un compromiso por parte da Xunta e da CRTVG de por en marcha unha plataforma dixital onde estará a canle Xabarín que pediamos", explica Marcos Maceira, quen suma outras demandas en materia de dobraxe, lexendaxe, cotas de emisión, catálogo e financiamento de producións que dependen do que aconteza coa Lei xeral do audiovisual, a debate no Congreso. Pode o galego quedar fóra da nova lei estatal do audiovisual? "O Estado quere vender como recoñecemento ao plurilingüismo unha proposta de texto que é un auténtico insulto e un desprezo absoluto a todo canto levamos loitando nos últimos anos". Maceira censura a redacción da lei, que so cita o español, lingua oficial do estado e "algunha das outras linguas oficiais". "O único que buscan é a exclusión do galego por outras vías e faremos o posíbel por evitalo neste mes, que é cando se decide". |
NOS_35332 | O recoñecemento, porén, non implica obriga algunha para as administracións de empregar eses idiomas. Alaska é o segundo estado, tras Hawai, dos EUA en recoñecer linguas nativas. | A Cámara lexislativa de Alaska aproba unha lei pola cal se outorga recoñecemento e status oficial a 20 linguas indíxenas deste estado norte-americano, segundo o Ciemen. Unha decisión, porén, que para nada afecta á posición do inglés como único idioma oficial de facto. Entre esas 20 linguas indíxenas recoñecidas está o Eyak, que desapareceu o 21 de xaneiro de 2008 coa morta da súa derradeira falante, Marie Smith Jones. Era un idioma falado polo pobo Eyak, na desembocadura do Río Copper. Un dos idiomas nativos recoñecidos, o deg xinac, tiña 40 falantes en 2007. Outro, o Eyak, desapareceu en 2008 Entre as linguas nativas recoñecidas están o deg xinac (en 2007 había censados 40 falantes) , o iupuk siberián, o tanacross, o tlingit (que tamén se fala en Canadá), o haida, o koyukon... e así até un total de 20. Decisión simbólica con nulas consecuencias A decisión da asemblea de Alaska é principalmente simbólica pois de facto non supón poñer en cuestión o inglés como o idioma oficial único 'de facto'. De feito, nin autoridades nin administracións están obrigadas a usalo. Non comporta responsabilidades sobre promoción ou apoio a eses idiomas. En Alaska hai un Centro de Linguas Nativas centrado no estudo e promoción destes idiomas. |
NOS_55943 | O 14 de novembro de 1916 publicábase na Coruña o primeiro número de A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala. Con motivo do centenario, indagamos arredor da propiedade da cabeceira. | A cabeceira da publicación histórica pertence, a día de hoxe, ao empresario Jacinto Rey, propietario da primeira construtora galega, o Grupo San José. Fontes consultadas por Sermos Galiza explican que a cabeceira foi adquirida polo empresario a raíz da extinción de Promocións Culturais Galegas, editora do semanario e do diario dixital, cuxo desmantelamento comezou en xullo de 2010 coa presentación da suspensión de pagamentos. "Caixanova embargara as propiedades da empresa, incluída a cabeceira e o baixo das galerías da rúa do Príncipe, en Vigo", citan estas fontes, que aseguran que foi Afonso Eiré, ex director do semanario entre 1983 e 2007 e conselleiro delegado após o 2007, quen lle solicitou persoalmente a Jacinto Rey que adquirise a cabeceira para que non ficase en mans da entidade bancaria que é hoxe Novagalicia Banco. As gravísimas dificultades económicas que sufriu a empresa editora en 1981 provocou que o nome da cabeceira estivese nas mans do avogado pontevedrés Xosé Luís Fontenla Rodríguez, quen apostara na empresa de maneira decidida. Unha vez superada a crise, a cabeceira volvía ser propiedade de Promocións Culturais Galegas. Desde a segunda ampliación de capital, Jacinto Rey entrou no accionariado a través de Cultura Popular Galega A ligazón do maior accionista do Grupo San José con A Nosa Terra non se remota ao 2007, cando fixo un importante investimento na empresa, senón ao ano 1984. "Desde a segunda ampliación de capital, Jacinto Rey entrou no accionariado a través de Cultura Popular Galega, onde Afonso Eiré era administrador único e propietario da empresa", informan as fontes consultadas. A respeito do futuro da cabeceira nada se sabe. Sermos Galiza tratou, sen éxito, de recabar información do Grupo San José. Facsímil do primeiro número Para conmemorar os 100 anos da edición do primeiro número de A Nosa Terra, o semanario Sermos Galiza (dispoñíbel na loxa online desde a noite da cuarta feira e nos quiosques desde a quinta feira) publicará un facsímil da publicación primixenia. |
PRAZA_15444 | O Goberno galego presenta un recurso de casación contra o ditame do alto tribunal que anula dous artigos fundamentais do decreto do plurlingüismo e decide enlamarse nunha batalla xudicial polo idioma. | A Xunta optou pola batalla xudicial. O Goberno galego vén de recorrer a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou dous artigos fundamentais do decreto do plurilingüismo e que censurou o cerne da súa política arredor da lingua. A plataforma Queremos Galego recibiu a notificación de que a Administración autonómica presentara xa ante o Tribunal Supremo un recurso de casación contra o ditame, polo que se agarda que faga o mesmo co resto de sentenzas emitidas polo alto tribunal a respecto da polémica norma. Malia que o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, asegurou xa en varias declaracións que "as sentenzas do TSXG ratifican a validez total do decreto do plurilingüismo", o seu Goberno vén de decidir recorrelas porque -suponse- non está de acordo con elas, que maioritariamente anulan o artigo 5.2 do decreto, no que se estipulaba a realización dunha enquisa entre os pais e nais en Educación Infantil para determinar o idioma da aula, e o 12.3. no que se establecía que os rapaces e rapazas poderían usar na aula a lingua da súa preferencia, con independencia do idioma no que se impartise cada materia. O recurso chega despois de que a Xunta teimase en que o TSXG "ratifica a validez total do decreto" As numerosas sentenzas supuxeron un duro pau ao cerne da polémica política lingüística da actual Xunta porque censuraron precisamente os argumentos esgrimidos durante a campaña electoral de 2009 para contentar os sectores máis radicais da dereita, canalizados a través de altofalantes como a asociación Galicia Bilingüe. Neste contexto, o presidente d'A Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma Queremos Galego, Carlos Callón, considera probado que "as mentiras teñen as pernas curtas", xa que "as accións que realiza a Xunta contradín de forma notoria a súa propaganda falaz a respecto das moitas sentenzas que está a emitir o TSXG sobre o decretazo contra o galego". Carlos Callón considera que "tanto Feijóo como o seu conselleiro de Educación lle fan moito dano a Galiza só polo mero feito de mentiren de forma reiterada, pois o país precisa un Goberno críbel". Por iso, o portavoz de Queremos Galego sinala que "o Parlamento debería pensar seriamente en propor a tipificación das mentiras dunha autoridade pública". Imponse a liña máis dura O secretario de Política Lingüística abrira a porta a introducir "axustes" no decreto Coa decisión de recorrer ao Supremo a Xunta amosa pola vía dos feitos a imposición da liña máis dura do Goberno galego na defensa da política lingüística da que fixo bandeira o PP dende 2009. Non en van, o recurso de casación segue ao pé da letra o argumentario xa bosquexado por Jesús Vázquez nada máis coñecer a primeira das sentenzas, no que tamén avanzou que, con independencia das decisións xudiciais, a Consellería de Educación seguiría realizando as enquisas entre as familias do alumnado para condicionar a lingua do ensino. Fracasan así, polo tanto, as teses máis moderadas existentes no seo da Administración educativa galega, representadas polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que mesmo deixou a porta aberta a introducir "axustes" no decreto para adaptalo aos ditames xudiciais. Neste contexto, ademais de batallar pola vía legal o Goberno galego volve desoír os convites ao consenso lingüístico lanzados dende as forzas da oposición parlamentaria. Así, lonxe de atender o chamamento de PSdeG, AGE e BNG, centrado na necesidade de seguir os preceptos do Plan Xeral de Normalización do ano 2004 -aprobado por unanimidade no Parlamento- o Executivo autonómico aposta por continuar, ata as últimas consecuencias, coa reforma lingüística iniciada en 2009. Deste xeito o gabinete conservador non só desdeña os ofrecementos do resto de formacións políticas, senón tamén as advertencias do Consello de Europa. |
NOS_28857 | A liña ferroviaria entre Ferrol e Ribadeo atravesa unha situación "límite" e "desastrosa" que denota a "total intencionalidade dun desmantelamento encuberto progresivo dos servizos". É unha denuncia da Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo. | A Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo advirte de que a liña se atopa nunha situación "límite". Do seu "desmantelamento encuberto progresivo" dan conta as máis de 900 incidencias, entre supresións e atrasos de relevancia, que, segundo o colectivo, sufriu o servizo en 2017. De feito, entre novembro e decembro suprimíronse "a diario" servizos por falta de maquinistas e nos últimos días os fallos estruturais implican avarías continuadas que provocan supresións. "Non é comprensíbel que a día de hoxe non exista ningún responsábel da situación en Renfe. Nin pola xestión do persoal, nin pola xestión do parque móbil", sinala a plataforma, que aposta nunha reforma integral para solucionar definitivamente os problemas de fabricación dos trens. O colectivo tamén denuncia nunha nota de imprensa a "continua desaparición" de interventores e afirma que "Renfe está empeñada na destrución destes postos e a súa substitución por máquinas de pago voluntario, como se ese fose o único traballo que realizan. A Xunta envía á comisión persoal dunha empresa privada A plataforma asegura que "as únicas Administracións que están tendo en conta os protestos das persoas usuarias son os concellos da liña, que conseguiron a creación dunha suposta comisión técnica na que están presentes Renfe e a Xunta". A posición de Renfe nesta comisión, critican, é "irrespectuosa". "O papel da Xunta nesta comisión tampouco ten nome, posto que carece de todo interese na mesma, quedando verificado cando envían persoal dunha empresa privada, unha asistencia técnica", engaden. Aliás, o colectivo acusa Renfe de provocar de maneira deliberada o deficiente funcionamento da liña, "para que a xente se vexa obrigada á abandonala, en moitos casos, sen ningunha alternativa de transporte". Neste contexto, a plataforma solicitamos que a Xunta "cambie o seu papel totalmente pasota" e lamenta que o Ministerio de Fomento non actúe. "Non sabemos cales son os intereses ocultos en acabar co noso ferrocarril, sabemos que tería un enorme potencial se o parque móbil funcionase debidamente e os horarios fosen razoábeis, dadas as nulas alternativas de transporte", salientan. |
NOS_14322 | A Plataforma SOS IES Punta Candieira continúa coas mobilizacións e xa reuniu máis de 2.000 sinaturas contra o recorte de docentes no centro por parte da Consellaría de Educación. | "Aquí estamos e aquí seguiremos", "Non aos recortes", "En defensa do ensino público e de Cedeira". Integrantes do colectivo SOS IES Punta Candieira protagonizan esta fin de semana un feche para denunciar os recortes de profesorado por parte da Consellaría de Educación nesta centro e nas redes sociais choven as mensaxes de apoio. Esta segunda feira, representantes deste colectivo entregarán na Valedora do Pobo e na Consellaría as máis de 2.000 sinaturas recollidas reclamando que se reverta a decisión de recortar profesores e profesoras neste curso escolar. A veciñanza de Cedeira saíu á rúa en varias ocasións nestas semanas para exixir que a Xunta non execute o seu plan de recorte de profesorado. Segundo denuncian pais e nais do alumnado do centro educativo, a intención da Consellaría de Educación é eliminar o posto de 11 docentes e 18 matrículas. [VÍDEO] Cedeira únese contra o recorte de profesorado que a Xunta quere levar a cabo no IES Punta Candieira A dirección do instituto, que dimitiu despois de coñecer as intencións da Xunta, trasladou un detallado informe aos pais do alumnado do centro educativo, no que se reflicten todas as trabas coas que se van atopar os docentes e a mocidade de cara ao vindeiro curso que comeza a semana que vén, no caso de que a redución de profesorado se faga efectiva. Así, e segundo recolle este escrito, a redución do cadro de docentes provocaría o cese dos reforzos educativos de Lingua Castelá e de Matemáticas en 1º e 2º da ESO. Tampouco se poderán levar a cabo os desdobramentos para o laboratorio do centro estudantil nas materias de Física e Química e Ciencias Naturais, polo que estas serán impartidas só de maneira teórica, sen contar co compoñente práctico. 📢 Segunda noite de peche no IES Punta Candieira!!! ✊ Non aos recortes no Punta Candieira❗❗ Aquí estamos e aquí seguimos. A teimud@s nós! 🌱 Cedeira unida e en Pé#sosiespuntacandieira pic.twitter.com/7BgZS4kzjr— Fernando de Cedeira 🌬 (@OTaranho67) September 17, 2022 A Xunta defende os recortes Porén, desde a Xunta insístese en que a redución do cadro de profesorado do IES Punta Candieira tomouse en base a razóns "demográficas". Así o asegurou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no Parlamento en resposta a unha pregunta formulada polo BNG. "Non hai decisións arbitrarias", asegurou Rodríguez, quen afirmou que a xefatura territorial da Consellaría ten constancia de que o director do IES Punta Candieira "está contento" coa cadro de 65 docentes do centro. |
PRAZA_9308 | Milleiros de persoas ateigan Compostela contra as eivas, os "recortes" e a "privatización" no sistema sanitario nunha marcha que xuntou todas as reivindicacións do sector e na que se aludiu cada pouco á presenza do presidente da Xunta, á mesma hora, na mobilización da dereita e a ultradereita | O centro de Santiago volveu ateigarse contra a política sanitaria de Feijóo. Milleiros de persoas encheron as rúas -e a praza da Quintana no final- contra os "recortes", a "privatización" e a "deterioración" da sanidade pública, golpeada por conflitos e protestas en todos os seus ámbitos, sobre todo nos últimos meses. "Co lío que hai aquí, e Feijóo está en Madrid", berraron os manifestantes nunha marcha que coincidía coa que a dereita e a ultradereita celebraron na capital do EstadoTras a pancarta que advertía de que a sanidade pública está "en perigo", xente chegada de todos os puntos de Galicia, profesionais sanitarios, traballadores do sector e quince colectivos e plataformas secundaron unha marcha apoiada por toda a oposición e os sindicatos. "Defendámola", pedían. "Co lío que hai aquí, e Feijóo está en Madrid". Esa foi a consigna máis repetida dunha mobilización que coincidía en horario coa que en Madrid celebraban PP e Ciudadanos, xunto a Vox e outros grupos de extrema dereita. Outras consignas como "non á privatización" ou "Feijóo atende, a sanidade non se vende" foron das máis utilizadas nunha marcha que acabou coa lectura dun manifesto no que se fixo un repaso polas eivas do sistema sanitario público. Ademais, reclamáronse medidas urxentes abrindo un "diálogo" entre administración e implicados, un incremento orzamentario, cubrir todas as vacantes, rematar coa precarización e, sobre todo, elaborar "un novo plan de mellora da Atención Primaria en Galicia". Foi outra manifestación contra a "deterioración" da atención sanitaria E foi convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, só un ano despois da concorrida protesta contra a reforma sanitaria de Feijóo. Concentrou todas as reivindicacións que nos últimos meses se desenvolven no país, con alertas por carencias no Sergas, dende os ambulatorios ata os hospitais.A mobilización concentrou todas as reivindicacións sanitarias que se desenvolven en Galicia desde hai mesesVolveu demostrarse que a vaga mobilizadora contra a reforma sanitaria e os recortes sanitarios non só non decaeu, senón que vai a máis e abrangue cada vez máis lugres e sectores. O movemento foi aguilloado por un punto de inflexión dramático, o falecemento dun paciente sen ser atendido no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada no mes de agosto. O persoal dos PAC, precisamente, levaba xa daquela meses a protestar contra a falta de medios e persoal no seu traballo. O persoal destes Puntos de Atecion Continuada coincide con outros colectivos e sindicatos sanitarios nunha diagnose que se repite: a consecuencias das restricións orzamentarias dos anos da crise, a célebre "austeridade", están a "estoupar" agora xunto a outros problemas estruturais que van da precariedade laboral á carencia de profesionais.No manifesto final, lido por Quico Cadaval e Isabel Risco, SOS Sanidade Pública resumiu as reivindicacións dun dos "mellores sistemas sanitarios do mundo" que está a ser "derrubado aos poucos para deixar espazo ao sector privado". Segundo denuncia o colectivo, a política da Xunta baséase en "recortar, desmantelar e privatizar" e lembraron que co Goberno de Feijóo, e desde 2008, "reduciuse nun 20% o gasto sanitario e suprimíronse máis de 1.000 prazas de persoal ou 500 camas hospitalarias". "Un dos mellores sistemas sanitarios do mundo está a ser derrubado aos poucos para deixar espazo ao sector privado"O diagnóstico foi claro ao advertir do "mantemento e ocultación das listas de espera", da "masificación das consultas de atención primaria" con consultas de ata "60 pacientes ao día", "a deterioración dos PAC por falta de recursos e persoal con resultados dramáticos que todo o mundo coñece", o "colapso dos servizos de urxencias", a "rebelión dos servizos de ambulancias, con traballadores sometidos a condicións indignas" ou a "dimisión dos xefes de servizo de Vigo". "Seguen dimitidos, diga o que diga o Sergas", explicaron. Así, o manifesto alertou da "privatización a pasos axigantados" e puxo de exemplo o "resultado desastroso do Álvaro Cunqueiro de Vigo para favorecer o concerto ingular co hospital privado POVISA". Tamén foi a Lei de Saúde outro dos obxectivos dunha marcha tras a que se criticou unha modificación lexislativa que pretende "consolidar a marxinación e o sometemento da Atención Primaria aos hospitais" ou "recentralizar o sistema acabando coa autonomía das áreas e hospitais comarcais" tras eliminarse catro áreas sanitarias. "Están a recortarse e desmantelando os hospitais comarcais, afastando á poboación rural da atención de saúde hospitalaria", di SOS Sanidade Pública, que cre que a Xunta busca "consolidar a precariedade laboral e abrir espazo á laboralización do persoal mediante chiringuitos de xestión privada" e "poñer a investigación, o desenvolvemento, a innovación e a formación do sistema sanitario público galego en mans de laboratorios, empresas tecnolóxicas, bancos e multinacionais". SOS Sanidade Pública alerta do "mantemento ou ocultación das listas de espera", da "masificación", "o colapso" ou os "desastrosos resultados da privatización"Por todo isto, cren que a sanidade pública enfróntase ao dilema de "recuperar os recursos recortados ao longo destes anos e que a está sumindo nunha crise que a pon en risco" ou "entrar nun proceso de deterioración, antesala da súa destrución". Xa que logo, a plataforma, que xunta todas as loitas sanitarias en Galicia, propón varias medidas inmediatas. A primeira delas, "abrir unha mesa de diálogo" entre aministración e responsables políticos, sindicais e sociais e non "grupos de traballo con afíns". Ademais, "recoñecer" que o futuro do sistema sanitario en Galicia debe partir dun "consenso entre diferentes forzas políticas para aplicar durante anos e ir mellorando o perdido por culpa da política do PP". Ademais, piden un "aumento do orzamento na Atención Primaria, ata alcanzar o 25%", a "eliminación da tasa de reposición", "oposicións inmediatas para cubrir todas as vacantes" e "negociación directa" co persoal dos PAC e dos servizos de Urxencias na busca dunha solución ás súas eivas. O colectivo insta a "cambiar as condicións laborais" do persoal precario e "recuperar os profesionais que están fóra do sistema sanitario galego", ademais de instaurar unha xerencia de Atención Primaria "en pé de igualdade coa da Especializada". O obxectivo tamén, que haxa "un tempo de consutla suficiente", "autonomía dos centros de saúde" ou a "redefinición de cupos cun máximo non superior ás 1.200 persoas". En resumo, din, acabar coa "privatización" e pasar á "elaboración dun novo plan de mellora da Atención Primaria en Galicia". "Por consenso e canto antes", remataron. Reproches a Feijóo por estar "nunha marcha falanxista"Así, o portavoz de SOS Sanidade Pública,, Manuel Martín, denunciou que "toda a cidadanía e traballadores sanitarios están absolutamente en rebelión". Segundo di, é "inadmisible" que un bo sistema sanitairo como o que había se estea "desmantelando" polo afán de Feijóo "en dar oportunidade ás multinacionais privadas". Desde a oposición, o voceiro de En Marea, Luís Villares, destacou que "mentres Feijóo se pasea nunha marcha falanxista polo odio e a confrontación, unha marea humana maniféstase a prol da vida e da saúde". O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reprochou tramén que o presidente da Xuntga se puxese "a disposición de Casado e os seus pactos de ultradereita" no canto de "escoitar o clamaro da rúa en Galicia". Pola súa banda, Ana Pontón, portavoz do BNG, destacou que é "importante saber con quen estás e que defendes". "Feijóo preferiu estar con trifachito en contra de Galiza", dixo. |
NOS_40041 | Desde converterse en grupo revelación de AcoruñaSon en 2007 con Chámalle Xis!, María Xosé Silvar, máis coñecida como Sés, mostra unha carreira que non é fortuíta, senón froito do traballo duro e constante. Acaba de volver da súa primeira xira por Latinoamérica, directamente para presentar o seu sétimo álbum. Liberar as arterias chega así amadriñado polos versos da poeta e activista Luz Fandiño, cunha mensaxe que se rebela contra a escravitude do odio. Após esgotar billetes en Barcelona, esta sexta feira encheu en Vigo, primeira das moitas datas xa programadas que a levará desde os escenarios máis cativos de Narón, Guitiriz ou Meis, até palcos estatais en Bilbo, Donosti, Málaga ou Madrid. | Actitude. Esa é, se cadra, a palabra que mellor define o furacán Sés. A súa gorxa forxada no tradicional, esa etiqueta que porta con orgullo absoluto e reivindicativo, non se limita ao musical e deixa entrar o declaradamente o político (nunca ausente, por outra banda) no discurso dos seus temas e no que acompaña os seus concertos. As súas parrafadas no directo —"ás veces cantas", teñen brincado con ela algunha vez— transformárona, para alén de infatigábel defensora da nosa lingua, nun dos símbolos feministas contemporáneos máis recoñecidos da Galiza, por atreverse a dicir as verdades sen maquillaxe enriba dos palcos. A ser ela mesma, esa "mala muller" que racha cos estereotipos e desafía o lugar que a sociedade lle impón. Como todas, inevitabelmente, estamos condenadas a facer se queremos, nese futuro incerto da herdanza que deixamos, que outras cheguen a ser libres. —Acaba de presentar Liberar as arterias, unha chamada a manter a calma contra o discurso do odio. "Non quero facerme escrava da ponzoñosa das xenreiras", afirma. Por que esta declaración de intencións agora? Case parece que dialoga con Rabia ao silencio, o anterior LP. Esa letra non é miña, senón de Luz Fandiño. Só hai dous poemas que eu levo tatuados na pel. Un é ese, mentres o outro é precisamente o de Vicent Andrés Estellés que está dentro do disco, en catalán. A tradución sería algo así como "non te pariron para durmir: / paríronte para velar / a longa noite do teu pobo". A rabia é moi perigosa e convértenos naquilo que odiamos: seres envexosos, fríos e desapiadados. Hai que ter moito coidado con ela, porque se ben te pode mover, tamén te pode contaminar. Por iso hai que liberar as arterias. Primeiro, porque temos unha vida soa e hai que vivila; se regalamos a felicidade gañan eles. E segundo, porque a alegría e o vitalismo son necesarios para a loita, se non somos débiles, á deriva da nosa visceralidade máis animal e irracional. — É esa a "Trampa de Odio", como se titula a cuarta pista, que di: "a ira gasta os teus dentes / coloniza a túa voz"? Exacto. Esa é a trampa de odio e hai que ter moito coidado con ela. De feito, na canción di: "Se logras saír a fóra / e ver desde alí a prisión / o odio invade o teu corpo / presiónache o corazón". Se conseguimos saír dese cárcere en alma -que en corpo non, pois nós non podemos fuxir deste sistema que a día de hoxe é absolutamente universal- hai que ter moito tino porque te podes converter no mesmo que detestas: nun odiador. —Estanos a acontecer iso? Por momentos, creo que a todas as persoas lúcidas nos pasa cando vemos cousas tan terríbeis. En Catalunya hai xente na prisión por poñer urnas, persoas no exilio e políticos presos. Todas estas cousas, a pouco sensíbel que sexas, nun intre determinado poden facer que te enfades moito e chegues mesmo a caer na violencia. Porén, xa se viu que iso non funciona. Non podemos competir con aparellos estatais, non estamos en Sierra Maestra [Cuba]. Hai que ter coidado, porque o discurso noso só o podemos "construír de baixo para a cima", como dicía Afonso [Mendes Souto]. Hai que ser lúcidas e intelixentes, non se pode combater a ruindade desde un sitio irracional, ou estamos condenadas a perder. —O título do disco homenaxea a Luz Fandiño, cuxo poema homónimo musica o primeiro tema. "Son a poeta daqueles aos que todo lles foi negado / que loitan por saír de escravos", di. Que representa ela? Luz represéntao todo: a honestidade, a humildade o traballo, o talento, a transparencia, a valentía, o descaro, a frescura, a xuventude eterna. Representa a fortaleza da muller, cunha ausencia total de vitimismo, vital e poderosa. Representa todo o que eu admiro e todo o que eu gostaría de ser. —Para moitas persoas, en gran parte xente nova, vostede tamén é un referente. Dicía Guadi Galego nunha entrevista publicada hai tres semanas en Semos Galiza que o feito de vostede encher teatros en Madrid é unha vitoria para todas. Para min o máis importante é que a nosa lingua leva sendo culpada de determinadas cuestións moito tempo. A maioría da xente que canta en galego, se cantase en español non mercaría nin un bocadillo de chourizo. Sen afán de presumir, eu acabo de vir de xira por Latinoamérica: Patagonia, Buenos Aires, Montevideo, Asunción, Paraguai, San Salvador… A semana pasada estiven en Barcelona con 400 localidades sold out por anticipado. E en ningún sitio lles estrañaba que sendo galega cantase en galego. De feito, a resposta é absolutamente impresionante. Cando me puxen a cantar coa pandeireta flipaban, non por min. O noso instrumento facíaos alucinar: como pode unha cousa tan simple, que é un parche, un aro e unhas poucas arandelas de metal, facer iso? Flipaban. Ao interpretar un canto tradicional a capela, rompían as mans. Iso demostra o potencial que ten a nosa música. Cando eu canto a xente alucina como cando escoitaba cantar a Camarón. Esa é a potencia da que estar orgullosa e ser resistente. A min tamén me carga moito o vitimismo. Se tes talento, a lingua non é un hándicap. Deixemos de culpala. Cúlpate a ti, non a ela, que abondo ten con estar morrendo. O galego non é universal, pero o francés tampouco e Édith Piaf, se estivese viva, só cos dereitos de "La vie en rose" xa sería millonaria. Canta en español a ver se te comes máis! Que pasa? Que os catro alcaldes que te contratan por cantar en galego, se o fixeses en español nin sequera te collerían. Esa é a realidade. Pero tampouco, porque che vai facer falla talento e, sobre todo, ganas de suar. Eu levántome ás oito da mañá e déitome moitas veces ás dúas ou tres da madrugada. A miña nai, que descarga camións no Gadis de segunda feira a sábado, ensinoume a choiar. Eu non son especial, canto "perrallas" e afino ás veces, se me soa a frauta. Agora, eu traballo que flipas. E non me queixo, e menos lle boto a culpa á miña lingua por non vender entradas. Ademais, son a única artista galega actual que non ten algo gravado nun idioma que non sexa galego. A consecución da túa liberdade non pode ser o que te mova, porque é imposíbel. Ti non vas ser libre nunca, vas morrer sendo escrava e eu tamén —As multitudinarias manifestacións do 8-M dos últimos anos puxeron en evidencia o un certo auxe do movemento feminista na nosa sociedade. Percíbeo así? A sociedade segue a ser moi machista e a do feminismo é unha loita que non ten entidade aínda. Quen lla está a dar é precisamente a xeración de xente nova que ten de 25 anos para abaixo, que son ultramachacadas con iso de "as nenas de agora…". Porén, son elas as que están facendo a revolución, bicándose pola rúa e normalizando as parellas homosexuais. Son as que están a rachar co xénero, os homes que están pintando as unllas ou poñendo rímmel, as mulleres que se están rapando. Son as nenas de agora as que están comezando a destruír a gran mentira xenocida da humanidade que é o xénero. E por iso debemos baixar a cabeza ante elas. Hai nenos de 13 anos en colectivos feministas. Nenas, pero nenos tamén. En vez de ser tan carcas e tan orgullosas, deberiamos darlles as grazas por comezar algo que non soubemos pór en marcha, mesmo herdando tempos mellores dos que vos tocaron a vós. Ou se cadra precisamente por iso reaccionaron con forza. —Este ano 'Galegas 8M', a encargada de convocar esta protesta a nivel da Galiza, centra as reivindicacións no rol coidador que exercen as mulleres. É unha das violencias máis invisíbeis? Xa o dixo Engels en 1850: o sistema capitalista susténtase sobre a realidade de que máis da metade da poboación mundial son traballadoras non remuneradas. Iso víao un señor de barba, burgués, hai 170 anos. Que a precariedade da política económica social recae directamente sobre a liberdade das mulleres non é unha opinión, é un dato. As que exercemos o rol de coidadora somos nós, sempre. É unha das escravitudes máis normalizadas. Por iso che dicía que a loita feminista aínda non ten entidade. O racismo é unha lacra sobre a que hai consciencia, pero ninguén repara en que sempre sexa a muller a que hipoteca a súa vida polos demais: a irmá, a nai, a nora, a filla. —De aí, que en loita contra esta posición, "para vivir en liberdade hai que ser mala muller", como afirma no retrouso de "Espiña sen rosa"? Claro. Porque ser boa implica ser submisa e calada, seguir esa apoloxía da muller sufridora imposta pola moral xudeocristiá. Ou cagamos enriba de todo iso —e non digo romper, digo cagarnos—, ou seguiremos igual. O primeiro que ten que ter unha muller profesional, sexas ti asinando un artigo, sexa eu compoñendo un tema, sexa Isabel Coixet, é non gustar. Algo tan prosaico e tan vulgar como caer mal. Non podemos aspirar a agradar e á vez gozar da nosa liberdade. De feito, a consecución da túa liberdade non pode ser o que te mova, porque é imposíbel. Ti non vas ser libre nunca, vas morrer sendo escrava e eu tamén. O único que nos debe impulsar, sendo lúcidas, é loitar para que algún día naza unha xeración que poida. Pero vai tardar moito, se é que algún día acontece. —Para alén da cousificación da muller na música ("síndrome Shakira" tenlle chamado vostede), hai unha parte moi importante da industria (a invisíbel, a técnica) na que a desigualdade é, se cabe, máis sangrante? Sen ir á parte das técnicas de luces e de son, todo o que non sexan vocalistas son homes. Manager, produtora, xefa de seguranza… E ollo, nin sequera quero dicir autora, senón vocalista, que 95% das veces o que fai é o que lle mandan, completamente sometida ao que agardan dela ou lle ordenan directamente. Precisamos xerar referencias e non poden ser submisas. Hai que ter moito coidado coa sexualización tamén. Estou a favor das girl bands, mais tamén temos que estender a idea de que nós podemos mandar. Na miña banda hai homes e mulleres e todos saben perfectamente que a quen non lle guste ten a porta aí. É duro falar así, pero cando es muller ás veces tes que facelo, pois unha afirmación na túa boca vale menos que a dun home. |
NOS_26018 | Antes da pandemia da Covid-19, xa outra pandemia golpeaba a sociedade mundial: a violencia contra as mulleres. Esa pandemia continuou neste ano de crise sanitaria, mais os confinamentos tornárona máis silenciosa, menos visíbel. É o que a ONU Mulleres deu en chamar "pandemia na sombra", tema que centrou onte o 25-N. | Cada día 137 mulleres son asasinadas por algún familiar; 243 millóns de mulleres e adolescentes sufriron maltrato polas súas parellas no último ano; menos de 40% das mulleres vítimas de violencia busca axuda. Son algúns dos datos alarmantes que ofreceu Nacións Unidas con motivo do Día Internacional da Violencia contra as Mulleres, que hoxe, 25 de novembro, se conmemorou a nivel mundial. Dentro da campaña Únete para 2030 da Secretaría Xeral da ONU e con motivo deste día, esta cuarta feira desenvolveuse un evento virtual con altos representantes dos Estados membros, das axencias da ONU, dos embaixadores de boa vontade e de organizacións da sociedade civil. O acto permitiu destacar algúns dos logros para acabar coa violencia contra as mulleres; tamén para solicitar aos Estados membros maiores compromisos. No evento, que estivo presidido polo secretario xeral, António Guterres; a directora executiva de ONU Mulleres, Phumzile Mlambo-Ngcuka; e a directora executiva do Fondo de Poboación da ONU, Natalia Kanem, tamén se puxo en valor o papel das organizacións de mulleres como vangarda na resposta contra as agresións e polo seu liderado para acabar coa violencia. Ademais, activouse oficialmente a campaña de mobilización mundial 16 Días de Activismo contra a Violencia Machista que ten por obxectivo promover a "tolerancia cero" en todos os ámbitos da vida, en todo o mundo. Así, desde hoxe até o vindeiro 10 de decembro, e baixo o lema "Pinta o mundo de laranxa: financiar, responder, previr, recoller!", nestas dúas semanas preténdese amplificar o chamamento a unha acción global que permita lograr fondos alí onde faltan, especialmente co fin de asegurar servizos esenciais para as mulleres superviventes da violencia durante a pandemia da Covid-19. Foro Xeración Igualdade Unha campaña que fai parte dos traballos de ONU Mulleres no marco de Beijing+25 (a renovación do programa para o empoderamento das mulleres e das nenas en todo o mundo, aprobado na Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller, que se desenvolveu en 1995 na capital da China); e encamiñados a novas accións e compromisos coa vista posta no Foro Xeración Igualdade, que terá lugar en México e Francia en 2021. Porque este ano é como ningún outro. Se antes da Covid, a violencia contra as mulleres xa alcanzara a categoría de pandemia, cos confinamentos domiciliarios estabelecidos polos Gobernos do mundo para frear a expansión do novo coronavirus, as agresións intensificáronse, especialmente no ámbito doméstico. As chamadas de auxilio multiplicáronse en varios países, mais noutros, debido ás dificultades para solicitar axuda polas canles habituais, descenderon. Ademais, a clausura de escolas e a perda de empregos deixou as mulleres e nenas máis pobres nunha situación de maior vulnerabilidade, expostas a explotación, abusos sexuais, matrimonios forzados e acoso. Desde que en abril de 2020 a Secretaría Xeral fixo un chamamento á "paz na casa", 135 dos 193 Estados membros aprobaron medidas para fortalecer os mecanismos que eviten esta violencia durante a crise sanitaria. "Porén, cómpre moito máis" contra a "pandemia na sombra", sinalan desde ONU Mulleres. Escocia, primeiro país do mundo en ofrecer tampóns e compresas gratis En 2018, Escocia converteuse no primeiro país en facilitar produtos sanitarios gratuítos en universidades, institutos e colexios, logo de se constatar que polo menos 10% das alumnas ficaban na casa cando tiñan a regra pola imposibilidade de facer fronte a ese importante gasto. Agora, Escocia tamén será o primeiro país do mundo en ofrecer de forma gratuíta produtos para a menstruación de forma xeneralizada. Con esta medida, tampóns e compresas estarán dispoñíbeis en lugares públicos como centros comunitarios, clubs xuvenís e farmacias. O custo anual para o Estado ascende a 24 millóns de libras (arredor de 27 millóns de euros). O proxecto de lei sobre a gratuidade dos produtos de hixiene feminina foi presentado polo Partido Laborista escocés e recibiu o apoio unánime de todos os membros do Parlamento. |
NOS_30562 | Os novos contaxios da Covid-19, ás portas da última fin de semana antes do inicio do verán, volveron situarse por baixo do centenar tras o repunte da xornada anterior e caen a 87 no conxunto da Galiza, mentres que os casos activos descenden a 1.344 despois do lixeiro incremento do día pasado que rompeu a tendencia descendente continua de 25 xornadas. En canto aos pacientes ingresados mantéñense en 61. | Segundo os datos publicados na mañá da sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta quinta, continúan 16 pacientes Covid en UCI e 45 noutras unidades de hospitalización. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende lixeiramente nas de Vigo e Ourense; aumenta nas da Coruña e Cee e Pontevedra e O Salnés; e mantense sen cambios nas de Santiago e Barbanza, Lugo e Ferrol. Na de Vigo, aínda que seguen dous pacientes Covid en UCI, descenden a sete os doutras unidades -un menos- e na de Ourense continúa un en críticos e redúcense a dous os doutras unidades -un menos-. Por contra, na da Coruña e Cee continúan sete en UCI e aumentan a 19 os doutras unidades -un máis-; así como na de Pontevedra e O Salnés, onde segue un en críticos e increméntanse a sete os doutras unidades -un máis-. Polo seu lado, mantéñense sen cambios as áreas de Santiago e Barbanza, que segue cun paciente en UCI e catro noutras unidades; Lugo, cun en críticos e dous noutras unidades; e en Ferrol, con tres e catro, respectivamente. Menos casos activos En canto aos casos activos de Covid-19, após o lixeiro aumento da xornada anterior despois de 25 xornadas consecutivas en descenso, volveron reducirse e sitúanse en 1.344, once menos, ao haber máis altas (97) que contaxios (87), ao que se suma un falecido. Así, mantéñense en niveis de mediados de agosto do ano pasado -o día 15 dese mes había 1.337-. Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden nas de Vigo (-20); Pontevedra e O Salnés (-10); Lugo (-2) e Santiago e Barbanza (-1); aumentan nas da Coruña e Cee (+21) e Ourense (+1); e mantéñense sen cambios na de Ferrol. Por tanto, a área da Coruña e Cee continúa á cabeza, con 431 c casos activos; seguida da de Lugo, con 244; Lugo, con 175; Ourense, con 155; Santiago e Barbanza, con 126; Pontevedra e O Salnés, con 117; e Ferrol, con 96. Descenden os contaxios Mentres, os novos contaxios de Covid-19 detectados por calquera tipo de proba descenderon por baixo do centenar, a 85 -que supoñen 26 menos-, tras o repunte da xornada pasada a 111, despois de iniciar a última semana antes do verán con 56; ascender lixeiramente a 60 a terza e a 65 esta cuarta No conxunto da Galiza foron confirmados 85 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados por Sanidade, 28 menos que a xornada pasada, dos cales 30 corresponden á área da Coruña e Cee; 14, á de Lugo; 12, á de Ferrol; 10, á de Pontevedra e O Salnés; oito, á de Ourense; outro oito, á de Santiago e Barbanza; e tres, á de Vigo. Sanidade realizou 2.321.732 PCR desde o inicio da pandemia, 3.118 máis que as rexistradas até a xornada anterior e unhas 700 probas máis feitas que o día pasado. En canto á taxa de positividade, mantense nun dous por cento, após aumentar ao 2,42% a xornada anterior, despois de comezar a semana nun 1,1% e ascender lixeiramente a un 1,4% a terza e a un 1,5% esta cuarta. Así, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. A última vez que a Galiza excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro. Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia no conxunto da Galiza ascenden a 2.431. |
PRAZA_13404 | Á convocatoria uníronse novos cortes nas estradas e vías férreas, e un peche de traballadores en Cangas de Narcea. Coincide cunha decisiva votación no Senado para a aprobación dos Orzamentos e a proposta de redución dos fondos acordados para a minaría. | Este luns é un día decisivo para o conflito aberto na minaría. O Senado debaterá e votará o proxecto de Orzamentos que prevé unha redución do 63% nas axudas á minaría, en contra do inicialmente pactado. En paralelo, e como medida de presión, as concas mineiras viven unha xornada de folga que é xeral en todos os ámbitos, tanto na industria, coma no comercio ou nos centros de ensino, e un día máis estradas e vías de ferrocarril están cortadas en Asturias e norte de León, vivíndose momentos de tensión. Este luns percíbese así mesmo unha meirande presenza policial nas comarcas mineiras, coa chegada de 250 gardas civís máis. Os sindicatos falan dun seguimento do 100% nos concellos das concas mineiras Os sindicatos falan dun seguimento do 100% nos concellos das concas mineiras, e a solidariedade cos traballadores mesmo chegou a vilas nas que a folga non está convocada, como Ponferrada. Alí, o alcalde da localidade, Carlos López Riesco, do Partido Popular, manifestou o seu apoio ás reivindicacións dos mineiros. En Cangas de Narcea, finalmente, un grupo de traballadores permanece pechado na Casa do Concello. Xosé Manuel Barreiro, voceiro do PP no Senado, está tentando que os tres senadores muden a súa postura, e o partido xa os ameazou con suspendelos de militancia e expulsalos do grupo popular A votación no Senado non debería xerar sorpresas. O PP conta cunha maoría moi ampla no Senado e aprobará todos os puntos previstos dos Orzamentos, incluídos os recortes de fondos para a minaría. Porén, os populares manteñen aberto un conflito nas súas fileiras, coa ameaza dos seus senadores leoneses de rachar a disciplina de voto e opoñerse aos recortes. Xosé Manuel Barreiro, voceiro do PP no Senado, está tentando que os tres senadores muden a súa postura, e o partido xa os ameazou con suspendelos de militancia e expulsalos do grupo popular (como xa fixeron cun deputado balear a pasada semana). En León está convocada unha manifestación ante a Subdelegación do Goberno, onde se iniciará unha marcha até a sede da Deputación provincial, onde seguen pechados (e xa levan 14 días) seis sindicalistas. Nesta marcha participará o deputado de IU, Gaspar Llamazares. |
PRAZA_18792 | Marisol Palomo é integrante do grupo Ialma e ex-presidenta do Centro Galego de Bruxelas, presionado pola Xunta para anular un festival de colectivos cataláns onde as cantareiras actuaron co rapeiro Valtònyc, o que lles valeu tamén as críticas do Goberno autonómico | O pasado sábado, o Centro Galego de Bruxelas acolleu o festival 12 hores per la llibertat, un evento impulsado dende unha plataforma soberanista catalá con actuacións musicais e culturais no que se reivindicou tamén a liberdade dos dirixentes independentistas de Catalunya encarcerados. La Tentation, sede da entidade da diáspora galega alugou unha das súas salas malia os intentos da Xunta por impedir o acto, presionando os dirixentes da sociedade galega, que ratificaron en xunta directiva a celebración dun certame que o propio Feijóo lamentara non poder prohibire e cuxo presidente respondeu con contundencia ao Goberno galego en Praza.gal. As críticas do Executivo autonómico sinalaron tamén a Ialma, grupo musical de cantareiras galego-belgas, tras a súa actuación co rapeiro Valtònyc. Como recibiron no grupo as críticas chegadas desde Galicia?Cando gravamos con Valtònyc o tema Bella Ciao foi simplemente pola liberdade de expresión. Que Ialma cantase con el, como fixemos o outro día en Bruxelas, foi unha forma de apoialo, como símbolo, como un representante máis dos artistas que sofren a mesma situación, a de ter problemas coa xustiza por unha canción ou obra, cando a liberdade de expresión debería estar garantida, polo menos así é en Europa. Logo, Valtònyc ten un estilo rapeiro, provocador, esa maneira de ser de todos os rapeiros… Pero iso é cousa del, non nosa. Cantar con el é unha maneira de apoiar a liberdade e os diferentes camiños artísticos, pero as súas actitudes, o de queimar fotos e esas cousas que fai, son cousas del e non nosas. A nós non se nos pode chamar radiciais como fixeron nalgúns medios."Cantamos con Valtònyc para apoiar a liberdade de expresión, que debería estar garantida; o seu estilo provocador é cousa del, non nosa"Séntense ofendidas?Nós cantamos sempre cancións tradicionais ou propias dunha maneira moi poética, falando da emigración, como no noso último traballo, da vida dos nosos pais. Imos por outro camiño diferente e non poden chamarnos radicais nin asimilarnos á causa catalá. Somos un grupo de cantareiras nacidas da emigración e temos unha causa cultural, que tamén é unha forma de facer política, claro que si, por todo o que temos vivido. Cantamos a nosa historia e logo cadaquén cre nela ou non, pero nunca fomos por aí levantando o puño nas manifestacións nin militamos en ningún partido político. Quen intenta asimilarnos con iso debería desmentilo se coñece a nosa traxectoria, pero nin nós nin a xente do Centro Galego de Bruxelas imos calar."Nin nós nin o Centro Galego imos calar; non se nos pode chamar radicais"Por que din que non calarán?Non imos calar porque non estamos de acordo co que algún xornal transmitiu ou co que dixo o PP. Todos os centros galegos dependen da Consellería de Presidencia porque a Secretaría Xeral de Emigración depende tamén dela. Xa dimitín da presidencia do Centro Galego de Bruxelas hai anos logo de representalo en Cuba, nun acto da emigración no que o único que nos pedían era facer fotos con Feijóo, posar con el ante as tumbas dos galegos ilustres que alí hai enterrados... Todo eran cousas que xa estaban preparadas e determinadas. Retireime; os centros galegos tiñan que escoitar e calar sobre o que di a Xunta porque, senón, non recibían subvencións. A min iso non me gustaba."A Xunta chamou por teléfono pero non fixo advertencia ningunha por escrito, senón na prensa"Como foron as presións ao Centro Galego de Bruxelas polo acto de colectivos cataláns?Por escrito non as recibiron, pero si houbo chamadas telefónicas desde a Secretaría Xeral de Emigración, ademais das advertencias nas declaracións na prensa. Pero en ningún momento a Xunta de Galicia escribiu ao Centro Galego advertindo de que ían quitar as subvencións ou alertando sobre un discurso radical nin nada diso… Son máis listos: primeiro sacan os titulares nos medios pero non se mollan transmitindo directamente o mesmo que din nos xornais. Logo, se te queixas, dirán que é cousa dos medios e que eles non dixeron nada. Moito titular, pero alí non se recibiu carta ningunha. Primeiro chamaron dun xornal e logo chamaron de Emigración.Chamáronas a vostedes polo seu apoio a Valtònyc?Ao grupo Ialma non o chamaron nunca. Valtònyc convidounos a cantar con el Bella Ciao, o tema que xa gravaramos conxuntamente. Non fixemos discurso político ningún, así que non nos poden catalogar de radicais nin acusarnos de facer apoloxía política. O que si fixemos foi apoiar un artista e todos os artistas; apoiámolo a el como representante de todos aqueles que en España están ameazados de cárcere ou que teñen que ir a xuízo polas súas obras."Apoiamos a Valtònyc como representante de todos aqueles que en España están ameazados de cárcere ou que teñen que ir a xuízo polas súas obras"Facer política tampouco é delito...Por suposto que non. Se o PP quixera alugar a sala para facer un mitin político ou unha rolda de prensa, teríanlla alugado igual. La Tentation está en pleno centro de Bruxelas e, cada vez que hai eleccións en Bélxica, a sala é alugada por políticos de calquera tendencia e cor. A xente aluga o espazo e se alí queren facerse reivindicacións políticas, fanse e listo. Con todo, no certame da pasada fin de semana case non as houbo, moi poucas…E se as houbo?Hóuboa, por exemplo, no momento que a eurodeputada Ana Miranda interviu, pero o único que fixo foi amosar o seu apoio. Logo, nin tan sequera houbo discursos nas presentacións dos grupos, que actuaban un tras doutro. Foron doce horas de música e para os mitins políticos houbo colectivos cataláns que alugaron o Teatro Nacional, na mesma rúa pero que non ten nada que ver co Centro Galego. Foi alí onde se fixo un acto pola República catalá, pero non houbo actos así no Centro Galego.Séntense doídas, parece.Claro que nos amola, moléstanos que se tire por un titular impactante tratando de transmitir unha idea que non é por ter que ver con tendencias políticas que non lle son acorde a quen o publica.""Non nos poden identificar con ningún partido político, aínda que reivindicar a nosa cultura tamén é política"Temen algunha represalia?Espero que isto non prexudique ao grupo porque nós o que facemos, basicamente, son proxectos culturais. Agora estamos metidas nun próximo que se chama Galeuscat e no que colaboramos con artistas de Catalunya e Euskadi nunha especie de mestura cultural. Se todo vai normal, Ialma ten previsto actuar en Luar, na TVG, o vindeiro mes de febreiro e supoño que estas noticias que saíron non nos prexudicarán nin influirán. Nas nosas cancións falamos das mulleres, da emigración, dos refuxionados… Falamos da realidade que vivimos neste mundo cada día."Grupos de Galicia dinnos que somos bravas e valentes por dicir o que eles non poden"Que lles din desde Galicia?O que nos din os grupos de Galicia, onde temos moitos amigos, é que somos moi bravas e moi valentes por dicir e facer cousas que eles non poden. Se cadra desde aquí vemos as cousas con outra mirada e podemos permitirnos dicir cousas que artistas ou xente en Galicia quere dicir pero non pode… Senón non nos dirían que somos valentes por facelo. Pero que nos chamen radicais ou nos asimilen con partidos cataláns? Pois non. Son os cataláns os que teñen que decidir o que vai vir no futuro para Catalunya, pero que non nos metan a nós nese saco. Nós o que temos que defender é a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa xente. E intentámolo facer dunha maneira moi poética. Non nos poden identificar con ningún partido político, aínda que reivindicar a nosa cultura tamén é política. |
NOS_2531 | Luar na Lubre fai 30 anos en 2016 e prepárase para o celebrar cun novo disco, 'Extra Mundi', con versións de temas non galegos, como 'Russinyol' ou 'Txoria Txori'. | Luar na Lubre, o grupo folk liderado por Bieito Romero, é unha das formacións do país con máis pasado e -á vez- con máis presente. Vintenove anos despois siguen xirando e enchendo teatros polo mundo coas súas cancións. Logo do CD-DVD publicado en 2014 coa Orquestra Sinfónica de Galicia, 'Torre de Breoghán', o grupo coruñés prepárase para o seu 30º aniversario coa publicación este decembro de 'Extra Mundi', un disco de cancións inéditas que editan da man de Warner Music. Romero, líder da banda, fala así do novo disco: "Extra Mundi en latín é o mundo exterior. Un universo que desde a nosa perspectiva coñecemos en certo modo, pero que nunca exploraramos como o fixemos neste novo traballo, un traballo que trascende do ámbito galego ou celto-atlántico e explora outras culturas desde unha óptica moi íntima e persoal, unha visión de lar ou lareira, aberta a mundos próximos pero distintos, a modo de agradecemento e recoñecemento pola boa acollida que sempre tivemos e sentimos nos diferentes lugares do Estado onde tocamos". Bieito Romero: "Extra Mundi en latín é o mundo exterior. Un universo que desde a nosa perspectiva coñecemos en certo modo, pero que nunca exploraramos como o fixemos neste novo traballo" Neste novo traballo Luar na Lubre interpreta clásicos en seis linguas diferentes. En palabras de Bieito Romero, "un Extra Mundi que queremos explorar con aroma a Galiza, co noso propio mundo habitual, máxico, propio!". Entre os temas que integran 'Extra Mundi' destaca "Rossinyol", unha canción tradicional catalana que foi interpretada por cantantes como Joan Baez, Nana Mouskouri ou Serrat,; ou "Txoria Txori", de Mikel Laboa, un clásico popular que forma parte xa do pobo vasco; ou "La Molinera", clásico da tradición castelá. Logo da saída do disco, Luar na Lubre abre unha nova xira por Galiza e polo Estado, con datas confirmadas en Ourense (11 de decembro) e Vigo (8 de xaneiro), ademais de numerosos puntos da Península, como Tudela, Madrid, Barcelona, Girona, Salamanca ou Cádiz. |
NOS_10793 | Esta terza feira repetirase a mobilización dos camións que transportaban o carbón desde A Coruña e a cuarta feira hai unha xuntanza en Madrid co Ministerio de Transición Ecolóxica. | "É extremadamente urxente unha reunión na que a alta dirección de Endesa aclare as súas intencións nas Pontes", explicaban o pasado 13 de setembro desde o comité de empresa nunha mobilización secundada por centos de persoas diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza para denunciar as consecuencias que a falta de actividade da central térmica de Endesa nas Pontes ten sobre todos os sectores económicos da vila e da súa comarca. Non houbo esa xuntanza e a dirección de Endesa anunciou hai uns días nun comunicado enviado á Comisión Nacional do Mercado de Valore que aceleraba o feche previsto da central. A noticia colleu de imprevisto a toda a comarca, onde máis de 800 empregos directos e indirectos dependen desa central. Hai inquietude e preocupación, recoñecen os sindicatos. Creouse un 'comité de crise' con representantes de organizacións políticas, sindicais, sociais e do tecido económico da comarca e sobre a mesa púxose unha data para unha folga xeral. O 16 de outubro. As mobilizacións vanse intensificar estes días. Esta terza feira haberá unha caravana desde A Coruña dos camións encargados de transportar carbón para As Pontes. A cuarta feira está prevista unha xuntanza en Madrid co Ministerio de Transición Ecolóxica. Desde os sindicatos hai meses en que demandan compromisos claros por parte de empresa e administracións para que o paro da central térmica non afectase o emprego, instando a estudar vías e posibilidades dunha transición enerxética "xusta". |
NOS_58391 | A Asemblea de Investigadoras de Compostela urxen ao reitor da Universidade de Santiago a que, tal e como se comprometeu durante a campaña electoral, atenda as súas reivindicacións. As principais, as relativas ás súas condicións laborais. | O reitor Antonio López comprometeuse a manter "encontros regulares" co colectivo, lembra a Asemblea que agrupa persoal dos diferentes sectores da investigación universitaria: investigadores, técnicos e xestores. O obxectivo era "buscar solucións aos problemas que lle trasladabamos". "Chegouse a comprometer publicamente a solucionar urxentemente a nosa solución", engade. Case sete meses despois de que López gañase as eleccións á reitoría, a Asemblea de Investigadoras de Compostela manifesta o seu "malestar" nun comunicado remitido aos medios de comunicación. ""Vemos con preocupación a situación na que se atopa a investigación da USC debido ás condicións de inestabilidade e precariedade na que centos de persoas teñen que traballar diariamente", sinala a Asemblea, "como vemos con preocupación a xestión dos recursos económicos dedicados a investigación na USC". Para este colectivo, a universidade compostelá tampouco respecta a Carta Europea do Persoal Investigador nin o Código de Conduta para contratación "de obrigado cumprimento para seguir mantendo o selo HR de excelencia en investigación". A Asemblea de Investigadoras remata cun chamado público aos sectores implicados na comunidade universitaria en situación precaria ou sen contrato a "unirse e reclamar melloras urxentes; ás investigadoras principais a corresponsabilizarse e ao equipo de goberno a deixar de mirar para outro lado". |
NOS_22750 | Xa son 34 o número de falecementos nas estradas galegas no que vai de 2019. Este tráxico índice, que até hai cinco anos foi diminuíndo desde o pico atinxido a finais da década dos 80, non só se está a estancar, senón que mesmo volve aumentar respecto do ano anterior. Fíxoo en 2018 e a tendencia mantense. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 346 do semanario en papel Sermos Galiza. | Despois dunha drástica diminución que principiou a comezos da década dos 90, a cifra de mortalidade asociada aos accidentes de tráfico está a experimentar un lixeiro repunte en Galiza. O ano pasado concluíu con máis falecementos que 2017, e os datos dos catro meses e medio consumidos deste 2019 fan predicir un incremento de defuncións ao remate do ano. Unha das últimas estatísticas elaboradas pola Dirección Xeral de Tráfico reflicte un importante incremento de mortes nas estradas galegas. A esta altura de 2018, foran 18 as persoas que perderan a vida en accidentes de circulación; neste curso son xa 34, o que fai de Galiza o territorio, despois da Comunidad de Madrid, con maior incremento de vítimas mortais (16 por 17). Trátase, e así o manifesta a portavoz de Stop Accidentes Galiza, Jeanne Picard, dun problema de saúde pública e, recalca, "a primeira causa de mortalidade entre a nosa mocidade". Desde hai tempo, as administracións e os organismos internacionais como a Organización Mundial da Saúde veñen poñendo o foco neste drama. Este interese substánciase en planos de actuación que procuran a redución da sinistralidade nas estradas. En Galiza está en vigor o Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, que, seguindo os criterios marcados polo Plan Mundial para o Decenio de Acción de Seguridade Viaria 2011-2020, persegue un obxectivo concreto: lograr unha taxa de 34 falecidos por millón de habitantes o vindeiro ano. As autoridades galegas decidiron estender esta meta á sinistralidade de todas as estradas localizadas no territorio, e non só ás de competencia autonómica. Con todo, o obxectivo de reducir á metade o número de vítimas mortais (tomando como base as 186 do ano 2011), segue lonxe de se cumprir. A intención de situar en 34 o número de vítimas mortais por millón de habitantes en 2020 é, segundo sinala o último informe de seguemento do plan (aprobado en outubro pasado), atinxíbel, mais non o será a curto prazo. Após un descenso continuado até 2015, en 2016 volveu medrar, até as 141 vítimas (52 por millón de habitantes). Os últimos datos pechados, correspondentes a 2017, sitúan a taxa en 43, e o ano pasado tamén aumentou. Galiza tamén sae perdendo na comparación co conxunto do Estado español e, se ben se produciu unha evolución positiva, aínda se atopa catro puntos por riba na taxa de falecementos por accidente de tráfico e millón de habitantes (43 por 39). Tampouco é especialmente esperanzador o balance de accidentes con vítimas: dos case 6.000 rexistrados en 2011 pasouse en 2017 a 4.629, se ben é certo que desde o ano 2011 (3.231) este indicador non deixou de subir. Respecto ás normas A responsábel de Stop Accidentes en Galiza, Jeanne Picard, recoñece que a sinistralidade "baixou moitísimo a partires dos anos 90, mais", precisa, "ese descenso non está a ter continuidade". Hai diversos factores que explican a accidentalidade, aínda que hoxe en día causas como o estado e o deseño das estradas, unha sinalización deficiente ou a antigüidade do parque automobilístico xa non son, polo xeral, tan decisivas como hai anos. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 346 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
PRAZA_11570 | Desde as oito da mañá deste domingo todas as mulleres deberán trasladarse a Ourense e o luns o persoal do hospital comarcal inicia un peche indefinido | Desde as oito da mañá deste domingo todas as mulleres deberán trasladarse a Ourense e o luns o persoal do hospital comarcal inicia un peche indefinidoDesde as oito da mañá deste domingo deixarán de nacer bebés no hospital comarcal de Verín. O Sergas argumenta que a baixa natalidade da zona fai que o persoal do centro perda a habilidade necesaria para atender partos e en vez de artellar algún xeito de manter a formación deses profesionais ou de trasladar outros desde Ourense, a súa solución é que sexan as mulleres as que desde este domingo vaian parir á capital provincial. Unha medida contra a que este sábado saíu á rúa en Verín a cidadanía do sueste da provincia.Desde as portas do hospital, centos de persoas recorreron as rúas da capital comarcal, cuxo centro sanitario serve tamén de referencia para a comarca zamorana de Seabra e o leste desa provincia, que o ten máis preto que os hospitais da súa propia capital ou de Benavente. A protesta contou coa apoio de todos os grupos da oposición, algúns de cuxos principais líderes participaron tamén na marcha, así como de todo tipo de colectivos sociais da comarca.O xerente do Sergas comunicou este venres aos médicos de Verín que deben trasladar ás mulleres "de xeito individualizado, toda a información necesaria para actuar en consecuencia ante a nova situación"O peche do paridoiro de Verín foi anunciado ao persoal do hospital comarcal hai unha semana, pero non foi ata este venres que os seus responsables recibiron un escrito do xerente da área sanitaria provincial, Félix Rubial, no que se lles comunica que "a partir das 8.00 horas da mañá do vindeiro día 1 de decembro producirase o traslado dos partos das mulleres do distrito de Verín ao Hospital Universitario de Ourense".Rubial solicita aos responsables de xinecoloxía e obstetricia de Verín que "se traslade ás mulleres, de xeito individualizado, toda a información necesaria para actuar en consecuencia ante a nova situación".O persoal do hospital de Verín inicia o luns un peche indefinido Tras a manifestación deste sábado e a fin dos partos prevista para este domingo, o próximo paso do persoal do hospital de Verín será iniciar este luns un peche indefinido no centro. Alí permanecerán, din, ata que o propio conselleiro de Sanidade vaia darlles explicacións en persoa. Tamén reclaman a dimisión do xerente do hospital, ao que censuran a súa desaparición do centro desde que se coñeceu a decisión de pechar o paridoiro. Un hospital de Verín que chegou a ser o emblema do despois quebrado experimento das fundacións sanitarias, impulsado pola Xunta nos 90 cando Feijóo era número 2 da Consellería de Sanidade. |
PRAZA_17248 | As rendas empresarias constitúen o 47,3% do PIB, catro puntos máis que hai 8 anos. UGT-Galicia destaca que "a crise trouxo consigo un claro trasvase das rendas do traballo cara aos beneficios empresariais que a recuperación económica non está a corrixir, todo o contrario" | Os salarios representan o 42,7% do PIB de Galicia, fronte ao 47,3% das rendas empresariais, segundo reflicten os datos publicados este xoves polo IGE referidos á contabilidade trimestral. No ano 2009 a remuneración dos traballadores e traballadoras sumaba o 48%, fronte a un 43,8% das rendas do capital e dende entón o peso do valor do traballo na economía galega non deixou de descender. En 2013 as rendas empresarias superaron aos salarios por vez primeira e nos catro anos seguintes a diferenza entre ambas as dúas compoñentes do PIB non deixou de aumentar. UGT-Galicia destaca que "a crise trouxo consigo un claro trasvase das rendas do traballo cara aos beneficios empresariais que a recuperación económica non está a corrixir, todo o contrario" UGT-Galicia destaca que "a crise trouxo consigo un claro trasvase das rendas do traballo cara aos beneficios empresariais que a recuperación económica non está a corrixir, todo o contrario". "De feito, o volume de remuneracións de persoas asalariadas está en mínimos históricos, o contrario do que lles acontece aos excedentes de explotación/rendas mixtas. Os salarios en Galicia seguen sen recuperar o posto que lle corresponde na economía", engade o sindicato. "Abaratáronse os custos laborais, os traballadores son vítimas de incisivos recortes dos seus dereitos laborais e, aínda por riba, promoveuse un cuantioso trasvase de rendas das persoas asalariadas ás empresas. A consecuencia disto é que as empresas saíron da crise hai tempo, recuperando os niveis de beneficios anteriores ao ano 2008, pero non así as persoas traballadoras ás que aínda lles falta moito para recuperar os niveis salariais previos á crise", denuncia UGT-Galicia. O sindicato lembra que no conxunto do Estado, aínda que tamén se produciu "unha perda do peso da remuneración de asalariados sobre o total das rendas dende o 2008 ao 2017", as rendas salariais seguen a ter un peso superior que as rendas do capital, como se pode ver neste gráfico dos últimos anos: Para UGT-Galicia "a tan publicitada por algúns recuperación económica" está a ter efectos "ben distintos" sobre o crecemento do PIB e sobre o crecemento do emprego a tempo completo" Para UGT-Galicia "a tan publicitada por algúns recuperación económica" está a ter efectos "ben distintos" sobre o crecemento do PIB e sobre o crecemento do emprego a tempo completo". "O crecemento económico trasládase en maior medida a beneficios empresariais que á mellora do emprego", salienta o sindicato, que considera "inxusto" que "nas fases recesivas os axustes se fixeran a costa do emprego e salarios e agora que chega unha fase expansiva son os beneficios empresariais os máis beneficiados". |
NOS_31013 | "O anuncio da máscara obrigatoria a partir de 6 anos é unha medida insuficiente e coa que busca de novo non investir nin un só euro en redución de ratios e na contratación de persoal docente e non docente, as únicas medidas que poden contribuír a garantir a seguridade e a distancia social na escola", indica nun comunicado. | Un inicio de curso "quente". Así vai vir setembro na Galiza en vista do malestar crecente na comunidade educativa perante o protocolo da Covid da Consellería de Educación. A CIG, principal sindicato no ensino público, pon sobre a mesa retomar as mobilizacións e mesmo unha folga no principio do curso. "Todas as críticas e temores que, con rigor e contundencia, formulamos desde o sindicato ao documento das Consellarías de Educación e Sanidade, son hoxe compartidas moi maioritariamente pola sociedade. Neste tempo puxéronse en evidencia as contradicións, carencias e temeridade do Protocolo para a volta ás aulas e o anuncio propagandístico de onte do presidente Feijóo vén a demostrar que a contestación social á actuación da Xunta está a ser contundente", indican nun comunicado. Para o sindicato nacionalista o actuar da Administración no protocolo resúmese en "propaganda e medidas de baixa calidade" que non dan solución á problemática. "Tal e como avanzamos nas concentracións convocadas o mes de xullo (por unanimidade sindical) naquelas condicións sanitarias e sen cambios no protocolo, o curso non podería comezar con normalidade". Por iso, explica a central "faise imprescindíbel unha resposta de mobilizacións do profesorado e do conxunto da comunidade educativa con convocatoria de folga no comezo de curso se non hai ningunha rectificación por parte da Xunta". "Estamos a falar da saúde do profesorado, do alumnado, das súas familias e de toda a sociedade en xeral", conclúen. |
NOS_19135 | Volve a Foz os días 14, 15 e 16 de novembro unha nova edición da Festa da Palabra que organiza a asociación A Pomba do Arco, con concertos e recitais poéticos, entre outras actividades. | A Festa da Palabra, encontro literario musical arredor da poesía, tenta achegar a creación literaria ao grande público e de xeito moi particular unha linguaxe minorizada como é a linguaxe poética. Esta celebración, recuperada felizmente o pasado ano, após unha paréntese de 14 anos, celebrarase na salón de exposicións do Cenima de Foz, comezando os concertos e as exposicións ás 20:30. Os actos arrancan a segunda feira -14 de novembro- cun concerto de rock a cargo do grupo Fran Amil e a tribo incomprensíbel que presentaran o seu disco 'A voz do vento', libro-CD editado pola Mesa pola Normalización Lingüística, que musica diversos poemas do poeta chairego Manuel María. Na terza feira recitará os seus versos a poeta Marica Campo, persoa moi vinculada á Mariña de Lugo, onde residiu varios anos e onde exerceu como mestra. O actos fecharanse na cuarta co recital do xornalista Miguel Sande, delegado de La Voz de Galicia na Mariña, con ampla obra literaria. |
NOS_42353 | A Francisco Rodríguez a noticia da morte do seu camarada e amigo Bautista Álvarez, "o tesón, a vontade, a convicción", sorprendeuno no cemiterio coruñés de San Amaro rematada a homenaxe a Pedro Galán Calvete esta mañá. "Era unha noticia en certo modo esperada", recoñece o ex deputado e ex secretario xeral da UPG que mantiña unha relación de amizade e compromiso compartido, "un trato próximo e unha convivencia moi sincera" con Bautista Álvarez desde 1974. | "Era esperada pero non deixou de causarme certa emoción", conta por teléfono desde a súa casa horas despois. "Hai unha cousa que me doe. Bautista morre nunha Galiza que non ten poder propio, que está totalmente desasistida de normalidade e que non ten estruturas propias dunha sociedade vertebrada e que acredite en si mesma. E o inicio da súa militancia política e da súa preocupación foi nestas mesmas circunstancias…". "O primeiro que me vén a cabeza é a vontade e o tesón con que Bautista se sentiu sempre nacionalista galego, e cunha convicción a proba de bomba, alleo a calquera circunstancia que atacara ou hostilizaba esa condición súa de galego consciente. Véxoo baixo unha luz que alumea moito a súa resistencia persoal e individual. Véxoo como alguén que tivera unha convicción que debera guialo até o final, cunha gran fortaleza de espírito", di Francisco Rodríguez con voz queda. No plano político, Rodríguez recorda que Bautista Álvarez volveu de Madrid en 1974 coa decisión de entregarse á causa da construción do movemento nacionalista en Galiza. E sinala que a súa figura "representa o inicio e a continuidade da UPG". "El estivo na fundación de algo que non era un partido, que no ano 64 era unha aspiración moi abstracta", precisa Rodríguez, "e mantivo a permanencia e participou na estruturación da UPG coma un auténtico partido político definindo a súa ideoloxía e, á vez, a súa práctica social: fixo dun ideal abstracto unha práctica política concreta". En canto á pegada nos seus amigos, no plano persoal, Francisco Rodríguez recoñece que "para as persoas que convivimos con el, Bautista representa o mellor da UPG e, tamén, representa as nosas limitacións". E deseguido explica que Bautista Álvarez exemplifica "o esforzo persoal e colectivo de moitas xeracións para que o nacionalismo fora unha realidade na Galiza", e que, no referido ás limitacións, elixiu levar adiante uns ideais "sen considerar ter unha estabilidade económica e familiar ou integrarse nos círculos de poder ou de intereses". Malia a constatación da realidade política do país nestes momentos, Francisco Rodríguez cree que houbo avances aos que contribuíu Bautista Álvarez, e sinala que "hai un movemento nacionalista vivo, socialmente articulado e con moitos máis nacionalistas e conciencia nacional que cando el comezou". Porén, láiase o ex deputado de que "nun país normal" a figura de Bautista Álvarez non só sería recoñecida polos nacionalistas, senón que tería un amplo recoñecemento social. Finalmente, Rodríguez apunta os dous aspectos do legado político de Bautista Álvarez. "O legado fundamental é, por unha banda, a constancia e a fidelidade a un proxecto político, esa fe en Galiza como nación que callou, e eu penso que vai ser, nas xeracións posteriores ás nosas. E por outra, quedan as análises da realidade de Galiza desde unha perspectiva marxista leninista moi ortodoxa. E foi quen de mesturar o patriotismo aceso cun marxismo ortodoxo, e facelo dunha maneira equilibrada sen que ningún dos dous predomine sobre o outro e os dous sexan a base do seu pensamento". Rodríguez lembra os anos finais da ditadura e a época da transición como "un tempo voraz no que as présas e todo se botaba enriba…", e sinte que naqueles anos Bautista Álvarez sacrificara a súa saúde ao deber. |
NOS_41777 | 'Corsu, Ti tengu caru' (Corso, quérote). A cuestión da oficialidade do corso volve, máis unha vez á asemblea da illa. Un 90% da poboación estaría a prol da cooficialidade. A sesión deste 25 de abril, onde se ía votar a proposta, adiouse por mor do asasinato dun político corso. | Debe o corso ser un idioma oficial en Córsega? Debe a illa ter como cooficial, e en igualdade de condicións co francés, o seu idioma propio? Estas cuestións ían ter resposta neste 25 de abril na sesión da Asemblea de Córsega (CTC ). Mais a sesión foi suspendida polo asasinato a media mañá de Jean-Luc Chiappini, presidente do Parque Natural de Córsega e ex-parlamentar na cámara da illa. A Unesco alerta do risco de desaparición deste idioma A decisión sobre o idioma corso fica, pois, adiada. O tema volvía se debater após que en 2009 a maioría pro-francesa botase abaixo a cooficialidade. Naquel entón, 28 d@s 51 diputad@s da asemblea rexeitaran a moción presentada por Corsica Nazione Indipendente (CNI) para que o corso fose equiparado ao francés. Argumentaban os parlamentares unionistas que só o 12% dos alumnos da illa demandaban un ensino bilingüe ou que a oficialidade do corso "podería ser interpretada como un movemento contra o francés". Apoio popular Segundo unha recente enquisa sociolingüística encomendada pola CTC, por volta do 90% dos e das corsas apoian a cooficialidade do idioma propio da illa. O número de persoas que saben falar esta língua móvese entre as 80 e as 130.000 persoas, dun total de 280.000 habitantes de Córsega. Francia non recoñeceu este idioma como cooficial, Só ten status de 'lingua rexional' O Cunsigliu di a Lingua Corsa é o organismo do CTC que vela por este idioma. O corso é unha lingua romñanica, derivada do latín. Non está recoñecida como dioma oficial nesta illa baixo soberanía francesa, tendo só un estatus de 'língua rexional'. A Unesco ten advertido sobre o risco de desaparición deste idioma. En 1980, por volta do 80% dos habitantes da illa tiña algún coñecemento de corso. A procentaxe caeu o 50% na década dos 90. Na asemblea corsa están representados dous partidos nacionalistas: U Partitu di a Nazione Corsa (PNC) e Corsica Libera. Os primeiros teñen 11 deputad@s,mentres os segundos posúen 4 parlamentares. |
PRAZA_16190 | "Falan de achegar a sanidade ao paciente, pero están a achegala á privatización", denuncia Óscar Carrete, concelleiro de Caurel Vivo, que subliña que unha e outra vez se reproduce o mesmo problema cada vez que algún dos sanitarios colle días de vacacións ou está de baixa. HEMEROTECA | Folgoso do Courel: Un exemplo práctico de abandono do rural | HEMEROTECA | Folgoso do Courel: Un exemplo práctico de abandono do rural Volveu suceder. A veciñanza de Folgoso do Courel leva varios días cun só médico, que se ten que repartir entre os dous centros de saúde deste extenso, disperso e mal comunicado concello. A situación é idéntica á que xa tivera lugar noutras ocasións. Un dos dous profesionais destinados alí colleu uns días de vacacións e a súa baixa non foi cuberta pola Consellería de Sanidade, polo que o outro facultativo ten que pasar consulta tres horas en Folgoso, desprazarse despois (media hora en coche) ata o centro de saúde de Seoane e traballar alí outras tres horas. "O conselleiro Almuíña díxonos que o problema era que época estival non había substitutos suficientes nas listas para cubrir a praza. Pois ben, estamos en xaneiro e de novo a praza quedou sen cubrir" A cousa complícase aínda máis se ten que atender un doente no seu domicilio. Nunha comarca cunha elevada dispersión poboacional, a falta de atención no centro de saúde pode alongarse durante horas, xa que hai aldeas que están a media hora ou case unha hora en coche dos núcleos máis importantes. Óscar Carrete, concelleiro de Caurel Vivo, denuncia novamente a situación, facendo fincapé en que unha vez máis o Goberno galego non puxo solucións sobre a mesa: "O pasado verán, cando xa pasou isto, denunciamos o sucedido e o conselleiro Almuíña díxonos que o problema era que época estival non había substitutos suficientes nas listas para cubrir a praza. Pois ben, estamos en xaneiro e de novo a praza quedou sen cubrir". "Persoal teñen, pero non queren cubrir esas prazas do rural. Con contratos de curta duración malamente a poden cubrir, obrigando a unha persoa a vir de Compostela, Coruña ou Vigo para traballar uns días". di. "Din que coa nova Lei de Saúde queren achegar a sanidade ao paciente. Pois xa se ve como a están achegando, sen médicos", sinala Óscar Carrete. "Achégana, si, pero á privatización", engade. Carrete denuncia a progresiva precarización do servizo de saúde emprestado no Courel. "O único médico que queda ten que comprimir en tres horas as citas de todas as persoas que debe atender ese día. Pensa ti que tipo de atención se pode prestar así. Non hai un servizo sanitario de calidade no Courel", conclúe. "Din que coa nova Lei de Saúde queren achegar a sanidade ao paciente. Pois xa se ve como a están achegando, sen médicos. Achégana, si, pero á privatización" Hai uns meses recolléronse centos de sinaturas en Folgoso do Courel para protestar ante esta situación, que foron entregadas na Consellería de Sanidade. Dende os partidos da oposición tamén se anima á veciñanza a enviar queixas ao SERGAS a través do deu servizo de atención ao paciente. "Xa non se nos ocorre que facer" -recoñece Carrete- "Só nos queda ir ata San Caetano a manifestarnos, na sede da Xunta". Este domingo 4 de febreiro unha manifestación protestará en Compostela contra a política sanitaria do Goberno galego e en especial contra a súa intención de modificar a Lei de Saúde. |
NOS_23803 | É practicamente a prehistoria do teatro moderno en Galiza. Os parrafeos, unha especie de diálogos por veces socráticos e con raíces populares, contribuíron á codificación dunha escena galega e en galego. Este sábado, na Casa Museo Manuel María de Outeiro de Rei, a compañía amadora da Sociedade Cultural Medúlio de Ferrol recupera un emblemático: Mal de moitos, de Euxenio Charlón e Manuel Sánchez. | Orixinal de 1915, Mal de moitos é un "pequeno sainete" ambientado na parroquia de Ferreira, en San Sadurniño e dedicado ao coro Toxos e Froles, do que Charlón foi fundador. Como o foi da Irmandade da Fala de Ferrol. A versión que se representará este sábado, ás oito do serán, na Casa Museo de Manuel María contará cos actores Roberto e Felipe Vázquez. A maquillaxe e o vestiario, a cargo de Ánxeles Fernández. E a dirección, da man do político e ensaísta Francisco Rodríguez. De Charlón e Sánchez, activistas culturais da órbita das Irmandades, escribiu Ricardo Carvalho Calero: "Foron dous artistas de Ferrol que disfrutaron un tempo de grande popularidade. Socios entusiastas do laureado coro local Toxos e Froles, compuxeron pasos e sainetes que podían sempre ser intepretados por dous actores. Eles mesmos daban a coñecer así as súas pezas". Euxenio Charlón naceu en Santa Cecilia de Trasancos (Ferrol) en 1887 e morreu en 1930. Manuel Sánchez Hermida viviu entre 1888 e 1940 en Ferrol. Xuntos asinaron obras como Calquera entende este enredo, Nocturno periodístico, Trato a cegas, Axúdate, O Menciñeiro e Polo pan baila o can. |
NOS_30215 | Acusa o Executivo estatal de "deixar en mans" do Supremo a resolución e non "dicir nada". | O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao (Cervo), José Antonio Zan, cargou de novo esta segunda feira contra o Goberno español, do que suxire certa conivencia coa multinacional americana do aluminio. Así, censurou que o Executivo estatal fíe a resolución ao que ditamine a Xustiza e "sigan sen se poñer en contacto" cos traballadores. "Seguen sen dicirnos nada, teñen paralizada toda a negociación, realmente parece que estean de acordo con Alcoa, en como fan as cousas", criticou. Zan acusou o Goberno que preside Pedro Sánchez de que "non pon nada da súa parte para buscar unha saída á situación". "E isto estanos levando a que a Mariña teña que mobilizarse día si, e día tamén, para loitar polo seu futuro", salientou. As multinacionais son unhas auténticas harpías, uns chupóns do financiamento industrial, do financiamento estatal e autonómico, pero quen lles permite facer todo isto e xogar ao seu favor é o Goberno de España "As multinacionais son unhas auténticas harpías, uns chupóns do financiamento industrial, do financiamento estatal e autonómico, pero quen lles permite facer todo isto e xogar ao seu favor é o Goberno de España, que tería que tomar unha decisión que eles mesmos puxeron riba da mesa", manifestou. Zan desaprobou que "non pode ser que digan que suspendamos unha folga para pór a negociar á Sepi e agora a Sepi non queira comprar a empresa". Así, avanzou que están a preparar unha gran mobilización para o 20 de outubro, cando o Tribunal Supremo abordará o ERE exposto pola compañía americana. "Ese día, que se saiba que chegamos até aquí despois de case nove meses de enganos por parte do PSOE e do Goberno de España", remarcou. O presidente do comité sinalou, así mesmo, que "o Goberno de España e, sobre todo, a ministra de Industria (Reyes Maroto) seguen deixando en mans da xustiza a ver se se quitan o problema de riba e despídennos a todos". |
NOS_17856 | O semanario, que estará nos quiosques este sábado, tamén analiza a realidade actual das verbenas en plena eclosión de festivais e entrevista Beli Martínez, unha produtora que vén de ser recoñecida co Premio Chano Piñeiro do Festival de Cine de Ourense. | A preguiza gaña ás veces nestes días do estío? Para loitar contra ela o Sermos Galiza deste sábado fornéceche unha proposta cultural ben atractiva, para que non quedes no sofá nin na toalla, deitado sobre a area (se é que é posíbel). Da man de Daniel Pérez Murado, o semanario achégate algunhas das chaves da escultura galega e indícache onde podes atopar pezas coas que aprender e si... Tamén botar unhas fotografías para as redes sociais, se así o desexas. Baixo o título 'Tradición e vangarda. A escultura contemporánea galega', o autor fala do Rexurdimento como movemento fundamental e analiza distintas obras repartidas na Galiza -que farán que venzas esa preguiza- desta arte, unha das "máis respectadas e populares do noroeste". Con Pérez Murado poderás reparar na fachada do convento de Santa Clara en Compostela mais tamén comezar a degustar as marcas de artista de Francisco Asorey, Silverio Rivas e Antón Faílde, entre outros. O novo número tamén analiza a competencia deste verán: verbenas fronte a festivais. Sonia Dapena asina a reportaxe 'Boom de festivais. Substitúen as verbenas mais... ficarán na axenda?', na que teñen cabida diversas perspectivas sobre a posibilidade dun cambio de ciclo. Pola súa banda, o xornalista Manuel Xestoso entrevista Beli Martínez, produtora detrás de distintos filmes galegos como Arraianos ou Longa Noite. En 'Beli Martínez. A sombra do novo cinema', ambos falan do Premio Chano Piñeiro, que lle outorgou o Festival de Cine de Ourense, do cinema galego actual e dos proxectos de futuro, entre outras cuestións. Pasear, ler e escoitar Nesta ocasión, o Colectivo Xea -Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo- tamén sae a gozar do tempo de lecer 'De András ao Faro das Lúas e a Lobeira'. Queres máis contidos? Non faltan á súa cita as escolmas de literatura, música e cinema. No primeiro caso, son Mario Regueira e Manuel Barreiro os que fan as propostas As desterradas de Carme Varela e a banda deseñada Aldara. A lenda do cervo branco de Inés Vázquez, respectivamente. No repaso musical Olga Brañas alude ao 'Mellor disco do ano!' que, ao seu parecer é Aire de Ameixeiras&Caamaño, e Fernando Montenegro analiza 'O 'Stabat Mater' de Rossini e un clérigo de Ferrol'. Andrés Castro opta por falar da película Charlatán na súa proposta cinematográfica. No apartado de Deseño, Pepe Barro fornece pistas sobre 'As marcas perdidas' que se atopaban nos cemiterios e na área de Arquitectura, Lázaro Armental asina 'Un mesmo solo'. Por suposto, non faltan os pasatempos creados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa. Gustaríache ter todos estes contidos da túa man? O único que tes que facer é visitar o teu quiosque de confianza este sábado e solicitar o semanario Sermos Galiza que acompaña Nós Diario, que tamén estará dispoñíbel na nosa loxa en liña. O máis sinxelo para a semana próxima é facer xa a túa subscrición! |
NOS_8565 | As fendas no seo da esquerda e centro-esquerda estatal continúan a se aprofundar embora estexamos en período eleitoral. En Podemos xa ninguén discute que o debate é polo poder interno. No PSOE, os críticos -que defenden un acordo con Rajoy- conspiran para derrocar Pedro Sánchez a mesma noite do 25S. | As fendas no seo da esquerda estatal -as que separan PSOE e Podemos- impediron despois do 20D que se formase unha maioría alternativa á liderada por Rajoy no Congreso, o que lle permitiu ao líder conservador sobreviver politicamente e concorrer ás urnas por segunda vez o 26X, co cal puido incrementar a súa conta de escanos. Mais as fendas son até máis profundas no seo dos propios partidos. Quer Podemos quer PSOE son neste momento cenarios de feras loitas polo poder interno. No partido morado, o recente cruzamento de chíos entre os chefes de fila dos dous sectores en liza -Pablo Iglesias e Íñigo Errejón- mostrou que o disenso é moi fondo e atinxe xa non só a aspectos tácticos, senón mesmo estratéxicos, de concepción do proxecto político. No Partido Socialista, a cuestión central é a oposición dos sectores máis conservadores e españolistas a que Pedro Sánchez explore unha alternativa a Rajoy que directa ou tanxencialmente pase por un acordo cos soberanistas catalás. Quer Podemos quer PSOE son neste momento cenarios de feras loitas polo poder interno Na crise de Podemos interveu esta quinta feira un dos seus ideólogos e fundadores, Juan Carlos Monedero. En declaracións a El País, posiciónase claramente acarón de Pablo Iglesias e lanza cargas de profundidade ao sector errejonista, ao que cuestiona por ter aberto a polémica en twitter co secretario xeral do partido. "Esa discusión agora pode axudar a confundir o votante", dixo. Para Monedero, a actitude de Errejón foi politicamente naif: "Expresarse nun tuit, aliás, foi infantil, como cando desapareceu dúas semanas tras unha discusión interna", dixo en relación á longa ausencia do secretario político do partido após o cesamento de Sergio Pascual, secretario de Organización e home da súa máis directa confianza. Monedero non ten reparos en admitir que "os debates internos" en Podemos non son apenas sobre a "liña" política, senón que tamén teñen a ver co "poder" dentro da organización. "Hai un debate que vai ter forza, igual que tivo no seu día dentro do PSOE, do PP, de ERC ou de IU. Son discusións ideolóxicas e ao mesmo tempo son discusións de poder", afirma. Mentres, no PSOE as espadas afíanse contra Sánchez nas vésperas do test eleitoral do 25S. Os sectores críticos liderados por Susana Díaz -aí aliñaríanse as federacións de Andalucía, Estremadura, Castela A Mancha, Aragón e Valencia- avalían mesmo a hipótese de forzar a renuncia do secretario xeral a mesma noite das eleccións galega e vasca se os resultados, como antecipan as enquisas, son desfavorábeis. O sector de Díaz quer liquidar Sánchez para negociar imediatamente co PP unha abstención que viabilice a investidura de Rajoy e poña fin ao bloqueo político no Estado. Mais Sánchez tamén se está a mover e a próxima segunda feira, xa cos resultados na man, a permanente da Executiva convocará Comité Federal para o 1 de Outubro. Non é menor o detalle de que o faga a comisión permanente -composta basicamente por fieis ao secretario xeral- e non a Executiva, cunha forte representación, arredor dun terzo, da xente de Susana Díaz. PSOE e Podemos negocian un acordo de investidura que deixaría fóra o direito a decidir, segundo InfoLibre O sector crítico teme que o Comité Federal non só non revise o NON a Rajoy, senón que convoque o Congreso socialista de forma inmediata para reforzar a posición do secretario xeral. Ninguén dubida que neste momento na base militante do partido a liña política de Sánchez -contraria a facilitar a investidura de Rajoy- goza de máis apoio do que a postura de Díaz favorábel a desbloquear a situación e viabilizar a permanencia do líder do PP na Moncloa. E no meio destas fortes treboadas internas, Podemos e o PSOE de Sánchez negocian un hipotético acordo de investidura, segundo InfoLibre. Sobre a mesa hai por volta de 30 propostas programáticas para sustentar unha eventual entente. Entre eles, non figuraría o dereito a decidir. A axenda da negociación tomaría como base a proposta de alianza realizada após o 26 de xuño por Compromís. A este respeito, cumpre lembrar que esta mesma semana o candidato de Pablo Iglesias para liderar a organización madrileña de Podemos, Ramón Espinar, afirmou na SER que prefería un acordo co PSOE -embora este incluíse Cs- antes do que ir a unhas terceiras eleccións. |
NOS_12036 | Unha muller de 55 anos morreu a coiteladas a mans da súa parella, un home de 59, na súa morada, no Carballiño. Aconteceu este domingo, por volta das 21 horas. Todo indica que o agresor, unha vez perpetrado o asasinato, tentou suicidarse. | Fontes policiais de O Carballiño indicaron que a muller non interpuxera ningunha denuncia previa por maos tratos contra a súa parella. O home protagonizara a semana pasada un intento de suicidio. Unha dotación da policía local foi alertada por un familiar da vítima que intentara en van comunicar por telefone coa morada. Ao chegar á vivenda, acharon o corpo da muller ensaguentado. O home apresentaba feridas con todo o aspecto de teren sido producidas por el propio. Este é o primeiro feminicidio no que vai de ano no noso país. |
NOS_23203 | Paralelamente á Feira do Libro de Bos Aires, a cultura galega tamén está a ser protagonista en Ann Arbor, onde se celebra do 20 ao 23 de abril o II Simposio Norteamericano de Estudos Galegos, con importante presenza tanto de investigadores como de persoas da cultura chegadas desde Galiza. | Os estudos galegos están a vivir un momento de crecemento nos Estados Unidos, e este simposio, que coordina a profesora da Universidade de Michigan en Ann Arbor, Cristina Moreiras, non fai máis que confirmalo. Nel participan, ademais de estudosos da cultura galega de todo o país, os escritores Miguel Anxo Murado, María Reimóndez e Suso de Toro; os xornalistas Pemón Bouzas e Xosé Manuel Pereiro; o produtor audiovisual Felipe Lage; os cineastas Eloy Enciso e Lois Patiño; o fotógrafo Manuel Sendón, ou o líder de Luar na Lubre, Bieito Romero. No Simposio participan máis de 40 galicianistas de universidades de todo Estados Unidos, como Princeton, Wisconsin, Houston, Ohio, Massachusets ou Texas, entre moitas outras. Os temas a tratar van desde a identidade galega, a lusofonía, o novo cinema galego ou obras dos clásicos como Rosalía de Castro até artistas contemporáneos como Manuel Rivas, Miguelanxo Prado, SES, Dios Ke Te Crew, entre outros. Medrando en Estados Unidos En Estados Unidos só hai un centro galego, a cátedra na CUNY (City University of New York), que foi fundada por Emilio González López (exiliado logo da Guerra Civil en Nova York) e relanzada máis tarde por Xoán González Millán. Sen embargo nos últimos anos os estudos galegos en Estados Unidos deron un salto significativo neste país. A entrada dunha lingua minorizada como o galego na MLA, a organización académica de linguas e culturas que agrupa máis socios en todo o mundo, supuxo un fito no galicianismo e un "recoñecemento sen precedentes para a nosa cultura", segundo Gabriel Rei-Doval, profesor da Universidade de Wisconsin e un dos impulsores desta candidatura. En novembro de 2014 acadouse a aprobación do Foro de Lingua, Literatura e Cultura Galegas na MLA e este xaneiro houbo no seu congreso anual (ao que asistiron unhas 7.000 persoas) catro sesións dedicadas a Galiza cun total de 13 relatorios impartidos por outros tantos estudosos da cultura galega. |
NOS_10081 | Este sábado, 16 de outubro, decorrerá unha marcha convocada pola Mesa porla Normalización Lingüística. | "O sábado día 16 ás 12 horas voltaremos á ponte da Toxa polo seu nome e por todos os que queren eliminar". Así anunia A Mesa a mobilización que esta fin de semana decorrerá neste punto da Ría de Arousa na defensa dos topónimos galegos, os únicos legais. O pasado 29 de setembro a Garda Civil impediu a un grupo de activistas da Mesa pola Normalización Lingüística protestaren pola "barbarización do nome da Illa da Toxa" polo Foro de La Toja, organizado pola empresa Hotusa e que contou coa participación de altos representantes do Estado e goberno españois e da Xunta de Galiza. O nome dun lugar identifícao, xunto con outros moitos aspectos, como parte do país ao que pertence. Borrar o seu nome é borrar todo o que está vinculado a el e as referencias que o sitúan "Á empresa hoteleira vén de lle ser concecida unha achega pública de 241 millóns de euros, o que non serviu polo momento para que utilice a única forma legal e lexítima da Toxa e nen tan sequera para que as autoridades públicas reclamen da empresa que cumpra a legalidade", sinalan desde a organización pola defensa da lingua. Pola contra a representación do Goberno español "só quixo evitar unha concentración que reclamaba o cumprimento da escasa lexislación que ampara o galego, nomeadamente o artigo 10.1 da LNL: "os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega". O caso da Toxa non é o único de deturpación toponímica "O nome dun lugar identifícao, xunto con outros moitos aspectos, como parte do país ao que pertence. Borrar o seu nome é borrar todo o que está vinculado a el e as referencias que o sitúan. Renomealo é faltar á dignidade de quen lle deu nome e existencia", manifesta A Mesa.. O caso da Toxa non é o único de deturpación toponímica, lembran. Cada día é máis habitual por parte de entidades e institucións públicas nunha actitude que "alenta a deformación dos nomes de lugar por parte de algunhas empresas, mesmo da relevancia de Google na nomenclatura do seus mapas". |
NOS_42449 | Os principais polígonos industriais do país non rexistran apenas actividade. Citroen e as súas auxiliares en Vigo fican paralizadas. | Os primeiros piquetes informativos encetaron a folga xeral percorrendo as rúas das principais cidades e vilas e acudindo aos polígonos industriais. O ambiente que se palpa anticipa un paro masivo durante toda a xornada. Así o constata a ausencia de actividade no sector industrial e na hostelaría. En Vigo, a factoría de Citröen, a maior empresa da bisbarra, rexistrou unha moi escasa afluencia de traballadoras e traballadores. As e os poucos operarios que ficarían na factoría arestora están a desenvolver tarefas de mantemento dado que a liña de produción estaría paralizada. Aliás, as empresas auxiliares como GKN Indugasa, Viza, MIG Coutier ou Faurecia tamén pararon. A ausencia de traballadoras e traballadores foi a tónica predominante nos polígonos de Valadares, Caramuxo e Porriño. Non haberá tampouco recollida de lixo. Na cidade olívica o piquete da zona centro, organizado pola CIG logo dunha multitudinaria asemblea, e no que participaron máis de cincocentas persoas deu literalmente un paseo polas principais rúas e avenidas, ao constatar que a totalidade dos negocios ao seu paso ficaban pechados, feito insólito nos últimos anos. Non se rexistrou ningún incidente. Na Coruña as factorías de Alcoa, Ferroatlántica, Emesa, Isolux, Isowat, SGL, Celsa, Santa Bárbara e Fenosa ficarían tamén paralizadas na súa maioría. O mesmo acontece en Ferrol-Terra, onde Navantia non rexistra actividade nin en Fene nin en Ferrol, mentres que en Endesa das Pontes apenas están activos os servizos mínimos.A recollida do lixo non funciona nin en Ferrol nin en Narón. Neste úlitmo concello, no Polígono do Pozo Pull&Bear non ten operativa a súa quenda de noite. O paro atinxiría tamén o cen por cen nas empresas de Arousa como Castrosua, Carsa e Eslavesa. Aliás, as centrais sindicais convocantes cifran tamén en preto do 100% o seguimento da folga arestora nos portos, aeroportos e máis no transporte de viaxeiros por estrada e nos ferrocarril de media e longa distancia. Pasarrúas en Compostela A última hora da tarde a CIG anticipaba o inicio da xornada cun pasarrúas no que a ritmo de gaitas fíxose un reparto expansivo de propaganda chamando á participación na folga e distribuíronse carteis de "pechado por folga". Os negocios da hostelaría e comercio da capital ficarían tamén nestes momentos completamente pechados. (Información actualizada) |
QUEPASA_34 | A dirección de XEAL confírmalle aos alcaldes da comarca, sen a presencia de ningún representante dos traballadores, que volve colaborar con entidades sociais e culturais como Afafes, Cáritas ou o IES Fernando Blanco | Mentres os traballadores das fábricas de Cee e Dumbría se manifestaban, un luns máis ás portas do Concello, no Conco, a dirección de XEAL (Xallas de Electricidade e Aleacións) mantiña unha reunión cos alcaldes e alcaldesas da comarca no Conco. Unha reunión, sen presentación algunha dos traballadores da empresa, solicitada polo alclade dumbriés apenas uns días despois de que o Comité lles pedise implicación aos rexedores, se ben a vontade dos traballadores é unha reunión a tres bandas entre traballadores, empresa e administración.A reunión serviupara presentar o seu plan de futuro para as súas dúas liñas de negocio: a electricidade coas centrais hidroeléctricas e a produción de aleacións metálicas nas fábricas. O conselleiro de XEAL, Alejandro Seco, fico fincapé en que a" xestión da compañía se está realizando xa desde a Costa da Morte", e explicou aos rexedores que "o plan de investimentos, a longo prazo, xa comezou a executarse". Javier Vazquez, Director de Aleacións anuncoi que a empresa retoma "o apoio a entidades sociais, culturais e educativas, como Afafes, Cáritas ou o IES Fernando Blanco, aínda que temos en estudo novas colaboracións, co obxectivo de recuperar a implicación no desenvolvemento da nosa área de influencia". En clave laboral, informou da intención de manter reunións com todos traballadores cada tres meses, reunións semanales cos mandos intermedios ou a inminente posta en marcha dun portal do empregado. Pero tamén silanou que "o proceso de automatización pode provocar reorganizacións internas de cambios de postos de traballo. Tamén deixaron claro que para que "a actividade das Aleaciones sexa competitiva, é imprescindible un marco enerxético estable". Outra foto da cpncentración de onte de Rafa Quintáns NOVAS DO CONFLITO #FERROATLÁNTICA 05-03-2020: O comité de Ferroatlántica pídelle implicación real aos alcaldes e alcaldesas da comarca. 02-03-2020: O persoal de Ferroatlantica mantén o calendario de mobilizacións contra o desmantelamento das fábricas. 20-02-2020: O Comité de Ferroatlántica considera un acto progapandístico o cambio de nome. Febreiro 2020: Ferroatlántica ata cambia de nome. Febreiro 2020: Os traballadores de Ferroatlántica volveron concentrarse ás portas da fábrica de Brens. Febreiro 2020: As fábricas de Ferroatlántica están ao 30% da súa capacidade de fabricación. 02-02-2020: Unha nova concentración baixo a auga con triple obxectivo. Xaneiro 2020: 17 novos despedimentos caldean o amibiente para a nova concentración dos traballadores de Ferroatlántica. Xaneiro 2020: Os Traballadores de Ferroatlántica volven á rúa este venres. Xaneiro 2020: Traballadores de Ferroatlántica viaxaron a Madrid á manifestación polo estatuto da Industria Electrointensivs. Decembro 2019: Ferroatlántica avisa de que o resultado da poxa enerxética pode provocar unha baixada da produción. Decembro 19: Ferroatlántica reclama unha tarifa eléctrica competitiva para as industrias electrointensivas. Poucas variacións no Comité tralas eleccións sindicais de Ferroatlántica de Cee-Dumbría-CCHH. 17-10-19: A Xunta recoñece que Ferroatlántica si ten que presentar un plan de viabilidade como lle viña esixindo a CIG. 09-10-19: Ferroatlántica: Un novo martes ás portas do Concello de Cee. 02-10-19: A Xunta sobre Ferroatlántica: "O único que aconteceu nas últimas semanas foi unha transmisión de accións". |
NOS_43212 | O novo número do semanario abre cunha reportaxe sobre o proxecto colaborativo 'Imaxe Covid', cando se fan dous anos da declaración do estado de alarma. | Este sábado atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, o suplemento semanal Sermos Galiza, que protagoniza o artista Vicente Vázquez Diéguez, impulsor de Estampa Popular Galega, a través da entrevista que lle fai Xosé Ramón Ermida. "Na Estampa Popular Galega, pensamos facer chegar a arte á xente cun prezos asumíbeis. A arte non é só para os ricos. A xente podía ter até un Laxeiro, que formou parte da Estampa Popular Galega e vendíase ao mesmo prezo que o doutros membros do grupo.", apunta Vázquez. Pola súa parte, Montse González asina a reportaxe "Por que o franquismo fomentou o folclore?", na que analiza a realidade da época partindo da obra Un país a la gallega (Através Editora), de Beatriz Busto. A pandemia, en imaxes Este número do Sermos abre cunha reportaxe do xornalista Antón Escuredo sobre a Covid-19, cando se fan dous anos da declaración da pandemia por parte da OMS e do estado de alarma na Galiza. Narra a historia do proxecto colaborativo Imaxe Covid, que xurdiu co inicio do confinamento nos primeiros meses de 2020. A orixe da iniciativa partiu do fotógrafo galego Óscar Corral. Música, arte e lecer O apartado musical corre a conta de Olga Brañas e Herminio González, que traen as últimas novidades, e Fernando Montenegro, cun artigo titulado "Unha suite en Compostela". Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por A peor persoa do mundo, de Joachim Trier, mentres Pepe Barro ofrece na sección de Deseño unha análise titulada "Cartel achado na vila". Noutra orde, Manuel Barreiro fala na sección de Banda Deseñada de As aventuras de Passer P. Malta, de Andrés Magán, mentres Mario Regueiro debulla o libro Ética do abandono, de Mário Herrero. Aliás, o colectivo Xea dá unha visión da riqueza da fervenza e a área fluvial de Castriz e Lázaro Armental asina a peza "Priorizar o peonil" na sección de Arquitectura. Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa. Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por tres euros! |
NOS_20078 | EUA e Cuba retomarán as conversas diplomáticas. Raúl Castro parabeniza o paso mais lembra que "o bloqueo debe cesar". | Cuba e Estados Unidos deron esta cuarta feira o primeiro paso cara á normalización das relacións entre ambos os dous países. Un punto ao que se chega após meses de negociacións secretas e coa mediación, como recoñeceron Raúl Castro e Barcak Obama en senllos discursos, do Papa e Canadá. O presidente de EUA afirmou na comparecencia que o "illamento" que durante medio século practicaron contra Cuba "non funcionou", engadindo que as políticas que trataban de impulsar a Cuba cara ao colapso "non serviron". Un recoñecemento implícito do fracaso do embargo económico, comercial e financeiro que EUA aplica á illa desde 1961. Raúl Castro anunciou que "acordamos restablecer as relacións diplomáticas", mais tamén engadiu que "isto non quer dicir que o principal problema se resolva: o bloqueo debe cesar". Castro propuxo ao goberno estado-unidense adoptar "medidas mutuas para mellorar o clima e avanzar cara á normalización entre os dous estados", apelando a "aprender a vivir coas nosas diferenzas". Obama, de por parte, baseou a súa intervención en recoñecer que as políticas e medidas que protagonizaron este último medio século "non funcionaron". Liberacións O anuncio produciuse horas despois de coñecerse a posta en liberdade dos tres cubanos detidos en Miami e do estadounidense Alan Gross preso en Cuba. Esta cuarta feira (17 de decembro), Gross despegou da capital cubana cara á Washington nun avión do goberno estadounidense. O contratista condenado por espionaxe cumpría na Habana unha condena de 15 anos mais foi posto en liberdade por "razóns humanitarias" após cinco de cadea, segundo informou á imprensa un responsábel da administración Obama. Doutra banda, os tres cidadáns cubanos detidos en Miami Gerardo Hernández, Antonio Guerrero e Ramón Labañino tamén foron postos en liberdade esta cuarta feira. Así o confirmou através da rede social Twitter outro dos cinco, René González. Esta tarde chegaron á illa caribeña. |
NOS_45687 | Co foco nas autonómicas de 2020, o PSdeG comeza a traballar nun proxecto político que responda a unha Galiza emprendedora, innovadora e progresista. | O Partido Socialista da Galiza comezou este sábado na construcción dun proxecto que responda a unha Galiza "emprendedora, innovadora e progresista" co foco nas eleccións autonómicas de 2020. Para esa labor, a formación inaugurou en Compostela o 'Idea Galicia Lab', un laboratorio de ideas para debatir, reflexionar e decidir na aposta do partido no país e, ao mesmo tempo, establecer unha alianza progresista coa sociedade civil. No acto participaron os ex presidentes Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño; o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e a presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera. Entre as principais preocupacións e reflexións dos primeros protagonistas, figuran o "derrube demográfico", a dixitalización que precisa Galiza para ser máis eficiente e competente, a transición ecolóxica, especialmente en termos de descarbonización do sector industrial, e a vertebración territorial, que fomente as cidades e impulse o medio rural. Para o secretario xeral, estes son os cuatro retos que debe afrontar unha Galiza que os socialistas queren debuxar dentro do marco do progreso, o emprendemento e a innovación. Esta visión tamén a comparten os dous ex presidentes e o primeiro edil santiagués. |
PRAZA_10153 | Di que catro anos de goberno cheos de obstáculos o fixeron "máis forte e máis valente a forza de paus". Falamos con Jorge Suárez sobre os seu mandato, as súas expectativas para o 26M e os retos inmediatos do Concello de Ferrol. | No acto de investidura como alcalde de Ferrol, hai case catro anos, Jorge Suárez pechou a súa intervención citando a Albert Camus, que escribiu "no máis cru do inverno aprendín que dentro de min hai un verán invencible". Suárez aplicou a frase a Ferrol, concluíndo que "esta cidade leva un inverno eterno e, dende logo, merece un verán invencible". A ilusión coa que Ferrol en Común chegou ao Goberno local moi pronto atopou múltiples obstáculos internos e externos, ademais da hostilidade dalgúns medios de comunicación. E, trala ruptura do acordo co PSdeG-PSOE, enormes dificultades para aprobar proxectos ou os propios orzamentos. Ferrol arrastra dende hai décadas unha moi negativa situación económica que está a levar a unha gran diminución da poboación e ao seu envellecemento. "Se volvese atrás reeditaría ese pacto, aínda que coa idea de xestionalo doutra maneira, pero sabendo que é imprescindible o entendemento da esquerda"Unha crise que xerou unha imaxe dun Ferrol decadente que Suárez cre "inxusta" e que "non se corresponde coa realidade", reivindicando pola contra "un Ferrol alegre", no que se fan cousas, unha cidade de barrios que loita por saír adiante. Falamos con el sobre os seus catro anos de mandato, as súas expectativas para o 26M e os retos inmediatos do Concello de Ferrol.Que é o que valora máis negativamente da xestión realizada. Máis aló dos obstáculos que puido haber, que medida ou acción lamenta máis non ter aprobado?A municipalización da recollida de residuos era factible, aínda que se necesitaba unha maioría suficiente e, ademais, estaba o condicionante de manter os convenios dos traballadores na tarifa máis económica. Pero non o conseguimos e queda no debe do noso mandato por falta de decisión. Hai que ser autocríticos -eu sempre o son- e creo que ese é o noso principal debe."A municipalización da recollida de residuos era factible. Non o conseguimos e queda no debe do noso mandato por falta de decisión"Que é o que valora máis positivamente?Quedo coa gratitude aos seis concelleiros e concelleiras que dende a ruptura do pacto co PSOE entregaron todo para sacar esta cidade adiante. E por iso creo que o mellor foi a súa lealdade e capacidade de traballo. Non vou dicir un proxecto concreto porque me parecería inxusto para o resto.Como valora a actitude que mantivo nestes catro anos o PSdeG-PSOE, necesario socio de goberno para un executivo de esquerdas?No ano 2015 sabíase que si ou si estabamos condenados a entendernos e se volvese atrás reeditaría ese pacto, aínda que coa idea de xestionalo doutra maneira, pero sabendo que é imprescindible o entendemento da esquerda. Os que apostamos pola unidade popular, defendemos o diálogo e o entendemento. Lamentablemente, en cada localidade ás veces isto depende do carácter de determinadas persoas á fronte dos partidos."Tanto se nós temos máis votos ou se os ten o PSOE, a esquerda vai gobernar esta cidade"Con Ángel Mato hai posibilidade dun mellor entendemento do que houbo nestes anos con Beatriz Sestayo?Estou convencido. Ninguén quere falar de pactos antes dunha cita electoral, todos din que queren unha maioría suficiente para gobernar sen necesitalos. Pero hai que ser realistas e nesta cidade a esquerda se quere gobernar ten que chegar a un pacto de coalición. Parece que non gusta que diga isto no medio dunha campaña, pero creo que é necesario sentar as bases dende xa e lanzar mensaxes en positivo de que ese acordo é posible.No caso de que a esquerda teña maioría e o PSdeG-PSOE sexa a opción máis votada, Ferrol en Común votaría a favor da investidura de Ángel Mato e estaría disposto a entrar nun goberno de coalición? Vostede apoiaría esa opción?Esa é unha decisión que non me corresponde a min, tería que votala no seu momento a asemblea de Ferrol en Común. Pero a nivel persoal considero que non debemos consentir baixo ningún concepto que a dereita goberne esta cidade, porque sabemos das consecuencias en termos de emprego, de pobreza, de desenvolvemento urbano. Polo tanto, tanto se nós temos máis votos ou se os ten o PSOE, a esquerda vai gobernar esta cidade. Ferrol en Común, PSOE e BNG temos que cooperar para construír algo máis sólido do que houbo nestes catro anos, nos que moitos lle deron as costas á cidade."Ferrol en Común, PSOE e BNG temos que cooperar para construír algo máis sólido do que houbo nestes catro anos"Nestas eleccións preséntanse dúas candidaturas formadas en parte por persoas que no 2015 formaban parte de Ferrol en Común. Esta división debilita as opcións de revalidar a Alcaldía?Cando penso na unidade popular en Galicia nos últimos anos véñenme á cabeza dúas imaxes: a escena da "Fronte Xudaica Popular" dos Monty Python e tamén esas pizarras policiais con moitos nomes e fotos conectadas que se ven nos filmes de detectives. Porque ás veces é difícil mesmo para as persoas máis activistas saber que partidos ou correntes hai, e o que opinan uns de outros. Sobre as persoas que estaban no proxecto de Ferrol en Común e que decidiron baixar en marcha e montar outros proxectos non teño nada que dicir. Non nos afecta, seguimos o noso camiño, que é o de revalidar a Alcaldía."Fiar todo á situación dos estaleiros fai que dependamos en exceso dos ciclos de suba e baixa dos encargos no naval"É a dinamización económica e o emprego a clave para reverter a crise demográfica e o envellecemento da cidade?Para min o principal e o núcleo do problema é o emprego. Esta cidade ten unhas instalacións fabulosas para construír buques nun estaleiro público que chegou a estar en risco de desaparición por culpa das políticas do PP, que quería desmantelalo, e que aínda sofre a consecuencias da entrada no tratado de Maastricht. Pero fiar todo á situación dos estaleiros fai que dependamos en exceso dos ciclos de suba e baixa dos encargos no naval. É necesario impulsar políticas que favorezan unha economía circular, máis pechada, de apoio ás persoas que montan unha pequena empresa e que buscan vencer a barreira dos falsos autónomos. O concello ten que apoiar isto reducindo as taxas a estas persoas, impulsando a creación directa de postos de traballo no sector primario.Nestes catro anos conseguiuse avanzar nestes obxectivos?Creo que si. Polo Centro de Emprego Municipal, que fai un traballo moi importante con cursos e orientación para mozos e mozas ou para parados de longa duración, pasaron cada ano máis de 4.000 persoas. Os datos están aí: nestes catro anos creamos 1.500 postos de traballo e pasamos dunha taxa de desemprego ao redor do 30% a estar por debaixo do 18% e creo que algo tivemos que ver nós."Estou en contra do control dos medios de comunicación, pero hai que poñer luz sobre a falta de ética destes empresarios"Hai unhas semanas denunciou publicamente o tratamento mediático recibido polo Goberno municipal de Ferrol por parte de La Voz de Galicia. Que valoración fai deste tratamento? Sorprendeuno a repercusión que tiveron as túas palabras?Temos en contra uns medios de comunicación que foron moi hostís con nós porque dende o Concello non lles entregamos ás súas empresas unha determinadas subvencións. Unha mañá collín un rebote moi importante pola publicación dunha noticia medio manipulada e quixen contar o que pasa aquí, na Coruña, en Vigo, en Lugo e noutros lugares. Esta empresa (e outras) teñen un papel moi importante na nosa democracia; eu estou en contra do control dos medios de comunicación, pero si que hai que poñer luz sobre a falta de ética destes empresarios. Falo dos empresarios, non dos xornalistas, cos que si teño unha relación excepcional. A verdade é que quedei moi sorprendido pola cantidade de felicitacións que recibín nos días seguintes por terme decidido a falar abertamente de algo que tamén pasa noutros lugares. Non o considero un mérito, simplemente contei o que sucede cun xornal que se converteu na peor guía turística para esta cidade."Nestes catro anos non houbo ningún avance real, nin no tren, nin en relación co Estaleiro 4.0, nin en relación co Convenio de Defensa"En Ferrol é especialmente importante a relación que o Concello establece con outras administracións, nomeadamente o Ministerio de Defensa. Hai algúns temas (o Convenio con Defensa, o edificio de Aduanas, o estaleiro 4.0, o tren de proximidade...) pendentes dende hai anos. Como valora o sucedido neste mandato? Cambiou a relación coa chegada o PSOE ao Goberno central?Creo que houbo tres fases diferentes: o inicio do mandato, cando chegamos e irrompemos con moita forza, porque eramos unha ameaza para o sistema establecido. Neses primeiros momentos recibimos unha atención exquisita por parte de Ana Pastor e tamén en varias consellerías da Xunta. Nunha segunda fase, despois de que non se acadasen nas eleccións xerais e galegas os resultados que esperabamos, foi máis difícil acceder a estes despachos. E, finalmente, nesta última fase de goberno socialista recuperamos a comunicación e hai boas perspectivas de futuro, por exemplo co Ministerio de Defensa. Pero a realidade é que nestes catro anos non houbo ningún avance real, nin no tren con Coruña ou o tren do norte de Galicia, nin en relación co Estaleiro 4.0, que aínda non sabemos se se vai construír ou non, nin en relación co Convenio de Defensa.Cre que neste mandato vai haber avances no tren de proximidade?Nese tema temos a cabeza ben alta. Fixemos todo o posible, participamos nas iniciativas das plataformas, mantivemos varias xuntanzas coa Xunta e máis aló de estudos e proxecto non conseguimos avances reais. Creo que agora vén o vento a favor e oxalá que nestes catro anos vexamos obras e accións concretas e non só proxectos, que diso xa temos moitos."O urbanismo é importante, pero nós cremos que as políticas deben estar centradas nas persoas: as políticas de emprego, benestar, cultura..."Urbanismo e vivenda, sobre todo cos proxectos que están en marcha ou con fondos europeos outorgados, van ser unha das claves deste mandato?O urbanismo é sempre unha das pezas centrais da xestión municipal. Nós estamos satisfeitos co inicio da reforma da Praza de Armas, co comezo das obras no Mercado de Caranza e nos bloques de Recimil e tamén coas actuacións que están a piques de comezar en Santa Mariña. O urbanismo é importante, pero nós cremos que as políticas deben estar centradas nas persoas: as políticas de emprego, benestar, cultura...É incrible a cantidade de persoas que viven soas na cidade e que non teñen a ninguén. Varias veces ao ano os bombeiros atopan unha persoa que levaba un tempo morta no seu domicilio. Iso é intolerable para unha administración e esta debe ser a prioridade, por riba de obras e demais. E o mesmo pasa coas políticas dirixidas á mocidade: se a mocidade non ten estímulos para quedar aquí, o primeiro que quere facer ao rematar os seus estudos é marchar de aquí, en parte por non vendemos ben o que é Ferrol."A realidade é que a ría está depurada e que levamos catro veces ao pleno unha taxa máis económica, que ao ser rexeitada provoca que a cidadanía estea a pagar máis"Un dos temas fundamentais, sobre todo no comezo do mandato, foi a municipalización do servizo de auga e saneamento. Por que non puido levarse adiante?Co tema da municipalización demos pasos claros e decididos: o primeiro que fixemos foi paralizar unha taxa inxusta, porque se estaba a cobrar por unha depuración que non existía; ademais, abrimos varias auditorías e levamos o tema ao xulgado, que non nos deu a razón, unha sentenza que recorremos. Máis non podemos facer de momento. A realidade é que a ría está depurada e que levamos catro veces ao pleno unha taxa máis económica, que ao ser rexeitada provoca que a cidadanía estea a pagar máis por ese saneamento. Hai que ser conscientes de que os procesos de municipalización poden levar anos e quizais pecamos de optimistas pensando que o obxectivo se ía acadar máis rápido.A municipalización do servizo de recollida de residuos vaise completar nos vindeiros catro anos?Cando chegamos, ese contrato estaba nunha fase de licitación por parte do Partido Popular, e podía ter consecuencias moi lesivas para Ferrol. O que fixemos foi renunciar a ese contrato e amparados nun informe do Tribunal de Contas iniciamos un proceso de municipalización. Non deu tempo a materializalo, pero é viable e cando se logre no próximo mandato Ferrol será unha cidade pioneira en todo o Estado.Mantense a aposta pola peonalización do centro da cidade?Mantemos a aposta e, ademais, de forma inmediata. A peza central para iniciar ese proceso era a reforma da Praza de Armas que vén de comezar e temos tamén os aparcamentos disuasorios xa adxudicados ou coa licitación en marcha. A pesar da presión en contra dun grupo de comerciantes, demos pasos adiante, na Rúa Real, nun treito da Rúa María e na Rúa Pardo Baixo e no vindeiro mandato a peonalización do centro vai ser unha realidade, porque estamos no século XXI."No vindeiro mandato a peonalización do centro vai ser unha realidade, porque estamos no século XXI"Moléstao que a imaxe que se xerou sobre Ferrol no resto de Galicia e do Estado se centre na "decadencia", comparacións con Ferrol, cunha cidade morta, ou cun tópico de cidade clasista, con sectores moi conservadores?Eu creo que esa imaxe non se corresponde coa realidade. Esa cidade clasista penso que foi quedando atrás, e hai ademais un Ferrol alegre, un Ferrol feminista, un Ferrol no que o Sindicato de Estudantes fai un traballo modélico nas súas mobilizacións. Ferrol perde poboación, pero é inxusto falar da decadencia da cidade cando a cidadanía leva a cabo múltiples iniciativas que lle dan a Ferrol unha vida moi activa e cando se está a facer un grande esforzo en rehabilitación, cun investimento de 15 millóns de euros nos últimos anos. Despois, está tamén o tópico de considerar que Ferrol é só o centro da cidade, cando hai barrios como Esteiro, Ultramar, Canido, Catabois que teñen moita vitalidade."É inxusto falar da decadencia da cidade cando a cidadanía leva a cabo múltiples iniciativas que lle dan a Ferrol unha vida moi activa"Que aprendeu nestes catro anos?Este longo proceso fíxome máis forte e máis valente a forza de paus. Aprendín que custa moito manterse sendo un mesmo durante catro anos cando o que te rodea é especialmente agresivo. Non quero caer no vitimismo, pero aprendín que hai que estar sempre en todo momento coa coiraza posta.E que perdeu?O primeiro que perdes é estar coa túa familia. Non poder ver como crecen os teus fillos tanto como che gustaría é algo que doe e que, pasado o tempo, fai que te preguntes se isto pagou a pena. Pero creo que si pagou a pena."Este longo proceso fíxome máis forte e máis valente a forza de paus"Como afeccionado ao atletismo e correr, sobre todo, en carreiras populares, con que proba poderiamos comparar a política municipal?Para min a carreira máis dura que hai é a Milla, porque é un sprint continuo que tes que manter durante máis dun quilómetro e medio. E a política municipal é algo semellante: en catro anos tes que dar todo o que tes para poder cumprir os proxectos. |
NOS_56700 | A OIEA lembra que, "cun incremento dos intercambios armados, a posibilidade dun accidente na central nuclear tamén sobe". | Rusia e Ucraína cruzan acusacións a respecto dos bombardeos que nas últimas horas afectaron a cidade de Energodar, onde se atopa a central nuclear de Zaporijia, un dos principais campos de batalla desta guerra e que preocupa especialmente á comunidade internacional. "O bombardeo caeu en primeiro lugar sobre a zona industrial e logo sobre a mesma cidade. Comezou arredor da noite e non se detivo até esta mañá", apuntou o alcalde ucraíno da cidade, Dmitro Orlov, na súa conta de Telegram. Aliás, informou dos "danos" ocasionados nunha das subestacións da central e en parte dun edificio gobernamental. Porén, segundo recolle a axencia Tass, as autoridades rusas na zona acusan o Exército ucraíno de perpetrar os bombardeos: "Están bombardeando Energodar usando varias armas. Os ataques teñen como obxectivo diferentes partes da cidade". Finlandia pide á poboación que compre pastillas de iodo: protexen realmente da radiación nuclear? Os líderes prorrusos afirmaron tamén que as tropas ucraínas intentaron "tomar" a central nuclear, a máis grande de Europa, que permanece baixo control ruso desde o pasado 4 de marzo e que, desde entón, foi obxecto de múltiples enfrontamentos. Un risco en aumento O director xeral do Organismo Internacional da Enerxía Atómica (OIEA), Rafael Grossi, celebrou esta terza feira a "disposición manifestada" por parte de Rusia e Ucraína de estabelecer unha "zona de protección" arredor desta planta nuclear. "Cun incremento dos intercambios armados, a posibilidade dun accidente na central nuclear tamén sobe. Polo tanto, insisto aínda máis na necesidade de lograr ese acordo", engadiu, ao tempo que incidiu no "compromiso" dado por Vladimir Putin e Volodimir Zelenski. Ucraína denuncia a destrución de 30% das centrais eléctricas do país Desde o OIEA, aliás, veñen de informar de que dous traballadores da planta de Zaporiyia foron "detidos polas tropas rusas", un feito que cualificaron de "preocupante". O director xeral adxunto destas instalacións, Valeriy Martiniuk, foi liberado esta terza feira após ser tamén detido a pasada semana. |
NOS_3176 | O retrato da estrada que uniu tanto tempo Galiza e Madrid a través dos que aínda habitan nela pasou polo Festival de Málaga e o DocumentaMadrid. | A película documental "N-VI" do realizador compostelán Pela del Álamo preséntase na Galiza logo de estrearse con éxito na XV edición do Festival de Málaga e da boa acollida colleitada tamén en DocumentaMadrid 2012. Será esta quinta feira, ás 21:00h, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Compostela. A fita, de Diplodocus Producións, é unha road movie que percorre os 600 quilómetros que durante tantos anos conectaban Galiza e Madrid. Esta estrada, que fora unha das máis importantes do Estado, quedou anegada pola autovía A-6, aínda así, del Álamo convídanos de novo a viaxala atopando vida nas súas beiras. Entre o punto de partida e o punto de chegada quedaron atrás os lugares de paso, onde aparentemente xa non acontece nada. O director descúbrenos, a través dos que aínda habitan nela, que na N-VI hai vida. Segundo o director "É moi interesante que un centro de arte contemporánea se abra a este tipo de creacións cinematográficas que non teñen cabida nos circuítos comerciais. Ademais na Galiza estamos a vivir un momento óptimo no que abrangue o cinema documental, espero que a xente que está facendo isto realidade siga a traballar como nestes últimos anos e que institucións como o CGAC sigan funcionando como espazos para a difusión". O documental comezou a súa andaina co apoio do Festival Play-Doc e da desaparecida Axencia Audiovisual Galega, cos que o director amósase "especialmenteagradecido". O director descúbrenos, a través dos que aínda habitan nela, que na N-VI hai vida. Traxectoria profesionalPela del Álamo iniciou a súa carreira profesional no ano 2001 e desde entón traballou en publicidade, ficción e televisión. En 2005 crea Diplodocus Producións e empeza a combinar esa actividade profesional cos seus proxectos propios, sempre no ámbito do cine documental. Desde o ano 2009 participa no laboratorio "O retrato filmado", coordinado por Marta Andreu e organizado polo festival Play-Doc. Entre outras pezas, produciu e dirixiu "A Cuarta Pista" (2006), finalista do DOC'AMATEUR 06 organizado por Canal +. Imaxe: Iván Nespereira |
NOS_2095 | Ecoloxistas en Acción urxe un plan de descontaminación para O Porriño tras constatar os efectos prexudiciais do lindano tanto nos solos como nas augas na bisbarra da Louriña. | A contaminación por lindano perdura na maior parte das demarcacións hidrográficas do Estado medio século despois de que se suprimise o seu uso como insecticida na agricultura. A Unión Europea prohibiu a súa utilización en calquera ámbito de forma definitiva en 2008. Segundo a Organización Mundial da Saúde e a Axencia Internacional de Investigación do Cáncer, trátase dunha substancia canceríxena para as persoas, velenosa e moi persistente. "Moi volátil e bioacumulativa", sinala o informe Lindano, presente dun legado tóxico, elaborado por Ecoloxistas en Acción para certificar unha evidencia coñecida: o lindano segue presente no medio ambiente, particularmente en solos e ríos, como consecuencia do uso deste pesticida organoclorado e dos vertidos incontrolados dos residuos derivados da súa fabricación durante décadas. O Porriño, punto destacado de contaminación O estudo constata a continuidade do HCH-lindano en case todas as cuncas hidrográficas do territorio estatal en 2017 e 2018 e documenta os casos nos que este contaminante excede os límites esixidos polas leis de calidade ambiental en augas superficiais. Destaca a situación do Porriño, onde a farmacolóxica Zeltia produciu esta substancia no polígono de Torneiros desde 1947 a 1964. Hai que ter en conta que para producir un quilo xeraban nove quilos de residuos que Zeltia foi amoreando na contorna das Gándaras de Budiño e do río Louro. En 2017, detectáronse niveis elevados de lindano en máis dunha ducia de pozos, fontes, regatos e pozas analizadas nesta parroquia que comezou a saber do prexuízo deste pesticida a principios dos anos 90. Desde entón, o problema agravouse, afirma Cristóbal López Pazo, voceiro de Ecoloxistas en Acción na Galiza. "Co paso do tempo foi aparecendo o lindano acumulado. Hai que ter en conta que para producir un quilo xeraban nove quilos de residuos que Zeltia foi amoreando na contorna das Gándaras de Budiño e do río Louro que agora leva a contaminación ao Miño". "A veciñanza levábao para botar nos camiños ou nas entradas da casa. Non sabían do dano que provocaba", incide López Pazo. Mais isto cambiou, o coñecemento que teñen agora é moi alto, por iso non deixan de esixirlles ás Administracións que compartan os resultados dos últimos controis solicitados para iniciar un plan de descontaminación que permita recuperar a zona afectada. As árbores tamén absorben o lindano "A Xunta debera ter entregado xa en xaneiro e en abril as conclusións de dous estudos encargados a Geocisa para determinar o impacto no parque do lindano e en toda a comarca da Louriña co fin de estabelecer as técnicas máis indicadas para porlle remedio á contaminación". Cómpre maior exixencia na calidade das augas para o consumo humano, cuxos valores máximos permitidos superan os estabelecidos para outros usos. Neste sentido, desde Ecoloxistas en Acción instan o Concello do Porriño a reactivar a comisión do lindano e o Goberno galego a ser máis esixente coa calidade das augas para o consumo humano, cuxos valores máximos permitidos "superan os estabelecidos para outros usos como o regadío, o baño ou o consumo animal". É unha das solicitudes e das principais conclusións do informe presentado polo colectivo, que tamén certifica concentracións elevadas de lindano na madeira das árbores que medran nas proximidades de solos contaminados, "un risco engadido en caso de incendio, xa que favorece a combustión e a toxicidade por inhalación". |
PRAZA_19163 | A Plataforma Víctimas alvia 04155 interveu esta semana ante a Eurocámara e a Axencia Ferroviaria Europea recibiunas por terceira vez. Mentres, non foron escoitadas nas investigacións oficiais españolas e lamentan o "cinismo" dos novos responsables de Fomento Feijóo proclama en que "o goberno europeo máis interesado" en saber a verdade de Angrois é o seu | Feijóo proclama en que "o goberno europeo máis interesado" en saber a verdade de Angrois é o seu Tres anos e medio despois, a esixencia de responsabilidades polo accidente de Angrois foi escoitada de primeira man, por boca das vítimas, en sede parlamentaria. Non foi no Parlamento de Galicia nin tampouco no Congreso dos Deputados ou no Senado, onde nunca puideron intervir ata o momento, senón na Eurocámara. Nomeadamente, na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, onde a Plataforma Víctimas Alvia 04155 puido expoñer este martes as súas denuncias tanto polo que consideran un "incumprimento da normativa europea en materia de seguridade ferroviaria por parte do Estado español" como por padeceren, ao seu xuízo, un exercicio de publicidade enganosa sobre a liña ferroviaria Ourense-Santiago, anunciada como alta velocidade malia non dispor de todos os requisitos técnicos para selo no momento do sinistro. O paso pola Comisión de Peticións saldouse cun chamado do órgano parlamentario a prol dunha nova investigación sobre o sinistro ao ficar constatado novamente -como xa fixeran a Audiencia Provincial da Coruña e a propia UE- que o informe elaborado pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio de Fomento non foi independente nin profundou nas causas e riscos da liña Ourense-Santiago. O apercibimento é "dos máis duros" entre os lanzados por este órgano da Eurocámara, asegurou a súa presidenta, a liberal sueca Cecilia Wikström, que despediu con agarimo a representación da Plataforma Víctimas Alvia 04155: "Teñen a nosa simpatía", díxolles. As vítimas interviñeron ante a Eurocámara e foron recibidas na Axencia Ferroviaria Europea por terceira vez Tras compareceren no Parlamento as vítimas aínda foron escoitadas noutro ente europeo máis. Volveron ser recibidas, coa compaña da voceira do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, pola Axencia Ferroviaria Europea (ERA). No que xa é o seu terceiro encontro coas vítimas os responsables do organismo ferroviario comunitario amosáronse dispostos a colaboraren coa investigación xudicial que continúa nos xulgados de Santiago se o xuíz Andrés Lago Louro llelo solicita. "Actúan por profesionalidade e non por presión dos gobernos", cren na plataforma. As persoas afectadas polo accidente non foron atendidas na investigación oficial, aínda que a normativa obriga a facelo, e tampouco na subcomisión política do Congreso A escoita da que foron obxecto as vítimas na capital comunitaria contrasta cos atrancos que atoparon nos organismos do Goberno de España que ata o momento indagaron no accidente. A investigación oficial realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) de Fomento foi duramente criticada pola UE por non darlle voz ás vítimas, como obrigaba a normativa comunitaria. Tampouco puideron participar na comisión técnica de mellora da seguridade que creou o Ministerio despois do accidente, en cuxo informe final nin se cita o sinistro. E nin sequera se lles deu voz na subcomisión política impulsada no Congreso dos Deputados para mellorar o sistema ferroviario en xeral, pola que pasaron ata 39 comparecentes de todo tipo. Encontros de indignación Policías impiden o acceso da Plataforma Víctimas Alvia 04155 ao acto das Medallas de Galicia, no Gaiás en xullo de 2014 A percepción de "empatía" coa que as vítimas regresan de Bruxelas contrasta coa sensación agre coa que remataron o seu anterior encontro institucional, o mantido a finais de decembro co novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna. Cinco meses despois do "plantón" da anterior ministra, Ana Pastor, que non acudiu á cita que fixara coa plataforma porque no día acordado foi nomeada presidenta do Congreso, o Ministerio abriu as súas portas e acudiron cunha reclamación ben concreta: que De la Serna apoiase a apertura dunha investigación política e doutra técnica "independente". Ou, o que é o mesmo, que referendase o "apoio expreso" que dera a ambas peticións poucos meses antes, cando aínda era alcalde de Santander. A plataforma lamenta o "cinismo" do novo ministro de Fomento por negar a investigación que apoiou como alcalde e sitúan como unha das maiores "ofensas" o acto da Xunta no que foi recibida con antidisturbios A negativa do ministro, cuxa explicación oficial foi sustentada en datas manipuladas, indignou a plataforma de persoas afectadas polo acciente. "Utilizou a nosa dor", afirmou un dos seus voceiros, Jesús Domínguez, para quen a actitude "cínica" e "hipócrita" do ministro De la Serna foi unha mostra máis da "tomadura de pelo" que veñen padecendo durante "tres anos de loita". Entre as sucesivas negativas á investigación política tanto no Parlamento de Galicia como no Congreso dos Deputados -o voceiro do PP, Rafael Hernando, chegou a cualificar a solicitude de "absurda" e "miserable"- a Plataforma Víctimas Alvia 04155 subliñan un fito concreto como unha das maiores "ofensas" que, din, levan padecido. Foi en xullo de 2014, un ano despois do accidente, cando a Xunta deu en conceder a Medalla de Ouro de Galicia ás propias vítimas e aos servizos de emerxencia que as atenderon en Angrois. Colectivos de persoas afectadas e a veciñanza da parroquia compostelá lamentou a data elixida para a entrega, toda vez que nesa xornada estaban previstas homenaxes e lembranzas na intimidade. No entanto, o Goberno galego decidiu seguir adiante e organizou o evento, como estaba previsto, nas instalacións da Cidade da Cultura. A Plataforma que esta semana viaxou a Bruxelas estivo tamén no Gaiás, onde reclamou acceder ao acto para explicar "o motivo" polo que rexeitaban o galardón. Ao chegaren o que atoparon foi "unha auténtica muralla de fornidos policías, armados con pistolas e porras" que os retiveron e impediu que entrasen. Mesmo "tivemos que aturar durante todo o día un policía da secreta, algo confesado por el mesmo, queu nos seguiu durante toda a xornada alí onde iamos", aseguraran. |
NOS_24706 | As asembleas debatirán esta cuarta feira o acordo alcanzado na madrugada desta segunda feira após 7 horas de negociación. De aprobalo, suspenderíase a greve indefinida prevista a partir desta quinta feira. | Persoal e patronal acadaron na noite desta segunda feira un preacordo coa mediación do Consello Galego de Relacións laborais que pode poñer fin ao conflito no sector das ambulancias da Galiza. O contido deste preacordo será debatido esta cuarta feira en asembleas e serán os traballadores e traballadoras quen deican finalmente se o aceptan ou non. De darlle o visto bo, suspenderíase a greve indefinida prevista para arrancar esta quinta feira, día 21. De rexeitalo, a folga comezaría nos termos previstos. Segundo informa o comité de greve, o preacordo recolle unha parte económica que contempla un incremento salarial de 12%:o convenio que se logre durará até 2022, a suba salarial será de 4% a partir de 2019 e incremento salarial de 3% a partir do 1 de novembro de 2020 máis unha paga única de regularización de 500 euros nese mesmo mes. A partir de 2021 a suba será de 2,5% e crearase unha nova paga extra. O aumento salarial será de 3% a partir de xaneiro de 2022. Outras cuestións que se contemplan no preacordo son que nas vacacións incluirase a media de todas as percepcións do ano anterior, desde 2019 e con efecto retroactivo. As subas calcularanse a partir do salario do condutor e aplicarase a mesma suba en todas as categorías. |
PRAZA_2556 | O atentado máis grave tivo lugar na sala de concertos Bataclan, onde os terroristas asasinaron con total frialdade preto dun cento de persoas. O presidente François Hollande declara o estado de emerxencia, o peche de fronteiras e a mobilización do Exército. O ISIS reivindica os actos. | Francia sufriu na noite do venres un atentado terrorista múltiple en forma de varios ataques coordinados en distintos puntos de París. O máis grave foi aconteceu na sala Bataclan, onde os asaltantes asasinaron con total frialdade unhas 90 persoas que asistían a un concerto de música. Os últimos datos achegados por fontes policiais indican que 129 persoas morreron e 352 resultaron feridas, das cales 99 están en "urxencia absoluta", segundo informou a axencia France Press. A Fiscalía tamén sinalou que foron polo menos cinco os terroristas mortos e os ataques foron reivindicados xa polo Estado Islámico. Os terroristas mataron con frialdade unhas 90 persoas que asistían a un concerto de música O presidente francés, François Hollande, anunciou o peche de fronteiras (medida substituída logo polo restablecemento de controis fronteirizos en estradas e aeroportos), o inicio do estado de emerxencia e a mobilización do Exército tras os atentados. Pouco despois, vehículos militares apareceron nas rúas de París para colaborar coa Policía nun despregamento de 1.500 efectivos. Cando non se sabía con exactitude cantos lugares foran atacados, o Concello pediu aos habitantes que non saísen ás rúas, un exemplo de que as autoridades non sabían se se podían producir novos ataques. Na súa declaración televisada, Hollande nin tan sequera descartou que puidese haber máis ataques nas próximas horas, e insistiu en que non pararán até castigar aos responsables. O Goberno francés tamén se reuniu de forma extraordinaria. Hollande cancelou a súa viaxe a Turquía para asistir ao cume do G20 e presidirá este sábado unha reunión do Consello de Seguridade. A policía asaltou a sala Bataclan cando varios testemuños, incluídos os das persoas que puideran escapar nos primeiros momentos, confirmaban que os terroristas non pretendían coller reféns, senón que simplemente estaban a disparar de forma indiscriminada contra os asistentes ao concerto. No asalto, os axentes abateron a tres dos agresores, o que permitiu iniciar o rescate dos feridos e a evacuación dos cadáveres. Mataban os reféns "un a un" Un dos reféns que escapou da sala contou a CNN que os terroristas estaban "a executar" en silencio a todas as persoas que atopaban. France 24 informou dun texto publicado en Facebook por unha persoa que estaba dentro, gravemente ferido, e que estaban a matar os reféns "un a un". Un xornalista de Europa 1 estaba na sala Bataclan cando comezou o ataque. Creu ver dous ou tres homes, ningún deles coa cara tapada, disparando á multitude con fusís kalashnikov. Non deixaron de disparar en ningún momento durante máis de dez minutos. Cando esgotaban a munición, recargaban sen mostrar ningunha urxencia e seguían disparando. O xornalista resultou ferido pero logrou escapar. Outra persoa, que estaba en Bataclan, contou a France Info: "En metade do concerto, xente armada entrou. Estiveron pegando tiros con armas automáticas. Eran 3 pu 4 persoas. Corrín e saín da sala". As inmediacións do Stade De France, a sala de concertos e catro rúas foron as atacadas en París Antes do ataque, dous restaurantes e as inmediacións do estadio Stade de France foron os lugares confirmados nos que comezou unha noite de terror. Ao final da noite, fontes policiais dixeron que os puntos atacados foron seis: o estadio Stade de France, a sala Bataclan, Rue Alibert, Rue Charonne, Rue Faidherbe e Rue Beaumarchais. Nos restaurantes, os asaltantes dispararon desde fóra refachos de tiros contra as persoas que estaban nas terrazas. Era a noite do venres e a maioría dos locais estaban cheos de xente. En zona do Stade de France, puidéronse escoitar con claridade varias explosións. No seu interior, xogaban un partido de fútbol as seleccións de Francia e Alemaña, ao que asistía François Hollande, que foi evacuado inmediatamente ao ouvirse a primeira explosión. A axencia AFP confirmou despois que unha das explosións fóra do estadio foi provocada por un suicida con explosivos agochados na roupa. Cabe a posibilidade, non confirmada a tal hora, que o terrorista pretendese facer estoupar a carga dentro do estadio e que fose detido na porta. Outro dos lugares atacados foi Le Petit Cambodge, un restaurante de cociña camboxana situado nunha zona chea de locais de lecer ateigados de xente, como é habitual, nun venres pola noite. Algunhas testemuñas confirmaron que dúas persoas armadas con fusís kalashnikov abriron fogo de forma indiscriminada contra os clientes do local, situados na terraza. Os terroristas atacaron de forma indiscriminada a xente que tomaba algo nas terrazas Hai un terceiro local de lecer que sufriu un ataque con armas de fogo, un bar situado entre os dous lugares anteriores. Alí os mortos son unha decena. Ademais, rexistrouse outro tiroteo na zona comercial de Les Halles. Os hospitais de París activaron o "plan branco" de emerxencia e crise, segundo AFP. Este consiste nun plan específico de emerxencias sanitarias e de crises, posto en marcha a principios dos 2000. É unha forma de planificar a posta en marcha rápida e racional dos medios indispensables en caso de afluencia de vítimas. |
NOS_1165 | A obra 'El viento es salvaje', unha estrea na Galiza, conquistou ás espectadoras que fixeron as súas votacións a través da internet. A peza é unha "recreación libérrima" de Fedra e Medea. | A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) anunciou este domingo que o Premio do Público da súa 38 edición foi a parar á compañía andaluza Las Niñas de Cádiz grazas ao seu espectáculo El viento es salvaje. A interpretación sobre as táboas desta estrea no país conquistou á maioría das persoas que tiveron oportunidade de vela polo que as e os espectadores concedéronlle 4,73 puntos sobre 5 nas votacións para este galardón, que se realizan a través da internet. No segundo lugar quedou a peza, tamén descoñecida na Galiza, Ritos de amor y guerra levada ao teatro pola agrupación catalá Comando Señoras. Aliás, o terceiro posto foi para La señorita doña Margarita de Petra Martínez e Juan Margallo, que igualmente foi unha estrea dentro da mostra. A organización explicou que a obra gañadora introduce ao público na historia de dúas rapazas, Vero e Mariola, "tan amigas que semellan irmás". Están unidas desde a infancia pero teñen un destino de traxedia. "É unha recreación libérrima de dous dos personaxes femininos máis apaixonantes da historia da cultura universal: Fedra e Medea. Unha traxedia, en verso, con todos os elementos clásicos do xénero, pero atravesada pola gargallada", engaden fontes do certame. Las Niñas de Cádiz é unha compañía de teatro que traballa desde as raíces. Unha das chaves da súa identidade é fusionar elementos da cultura popular e o folclore con outros da denominada tradición culta. "E sempre desde o humor. Alejandra López, Teresa Quintero, Rocío Segovia e Ana López Segovia son as actrices que dan vida á obra escrita e dirixida por Ana López Segovia", enumera a promotora. Antes deste último recoñecemento, o espectáculo xa recibira do Premio Max ao Mellor Espectáculo Revelación en 2020 e o Premio do Público do Certame Nacional de Teatro Garnacha da Rioxa. |
PRAZA_6066 | Eu avanco, ti avancas, avanca el e avanca ela ... Ou sexa, o que se entende por "saltar por riba de". En Cadrón levámolo facendo dende tempo inmemorial; iso si, sen saber se abancabamos con B ou avancabamos con V | Eu avanco, ti avancas, avanca el e avanca ela ... Ou sexa, o que se entende por "saltar por riba de". En Cadrón levámolo facendo dende tempo inmemorial; iso si, sen saber se abancabamos con B ou avancabamos con V. Logo chegou a RAG e dixo que nin unha cousa nin outra, que o que nós faciamos chamábaselle avantar. Os cadroneses non somos reparados nin exquisitos, así que deixamos así a cousa e non interpuxemos ningún recurso constitucional. Nós o que queremos é poder saltar por riba das fochancas, lameiros, regos, portelos, toxeiras e silveiras. O noso fado é avancar. E o das vacas, que foron creadas por Deus á nosa imaxe e semellanza, tamén o é; e como non as tornes ben, avancan valados baixos e sebes fuleras na procura da vizosa herba dos prados veciños. Eu avanco, ti avancas, avanca el e avanca ela ... Ou sexa, o que se entende por "saltar por riba de". En Cadrón levámolo facendo dende tempo inmemorial; iso si, sen saber se abancabamos con B ou avancabamos con V Cando a democracia nos asfaltou as primeiras pistas, os cadroneses botamos unha chea de tempo sen afacernos á aquela nova superficie chá e anegrada. Os mais afoutados aboiaban por riba delas coma penecos de viño purrela, agarrándose ao rabo das vacas para non caer de fociños; os demais, que eramos maioría, iamos polas gabias laterais ou pola cima dos valados, cando os había; e as vacas diminuíron tanto a súa velocidade de cruceiro que ás veces resultaba moi difícil saber se realmente andaban ou estaban quietas paradas. Un sen vivir! O alcalde presidente vendéranos o conto de que coas pistas asfaltadas perderiamos menos tempo nos camiños. Porén, a realidade naqueles primeiros días era ben outra: xa non é que tardaramos mais en chegar ás chousas, senón que moitas veces desistiamos a medio camiño e dabamos media volta antes de que a noite caera sobre nós; e cando iamos a Lalín, faciámolo sempre en grupo para percorrer as rúas termando uns dos outros. "Penso que deron co nome aquelado ... porque mira que levan avancado os moi túzaros ... de Caixa Vigo avancaron a Caixa Nova, e logo avancaron a Novacaixa Galicia, e logo avancaron a Novagalicia Banco ..." Con estes antecedentes comprenderedes mellor o abraio gozoso de meu pai o outro día, nunha rúa de Lalín, cando na beirarrúa de enfronte viu o novo letreiro da Caixa de toda a súa vida: ABANCA. "A boas horas ...! Estouche eu agora para andar avancando!", dixo que foi o que primeiro pensou. Pero logo, xa reposto dos susto, deulle voltas á cabeza e confesoulle á muller (miña nai, en dúas palabras), todo cheo de razón: "Penso que deron co nome aquelado ... porque mira que levan avancado os moi túzaros ... de Caixa Vigo avancaron a Caixa Nova, e logo avancaron a Novacaixa Galicia, e logo avancaron a Novagalicia Banco ... e de tanto divino avancar caeron na conta de que o seu era un puro avancar ... E despois ríanse dos de Cadrón, que seica non faciamos mais ca avancar dun lado a outro." "Papá, a cousa non vai por aí ...", retruqueille eu, que xa o vía enchido de fachenda, case independentista. Lembreille que o avancar que el pensaba escribíase con V; e por se isto non abondara, que o noso avancar non existía e que deberiamos dicir avantar. "E quen dis que dixo que avancar non existía?" "O señor García-Sabell, o señor Fernández del Riego, o señor Barreiro, o señor Ferrín, o señor Alonso Montero ... homes sabios, papá" "Homes sabios! ... serás parviño ... non sei a quen demo saíches ... ou sexa, que un señor chamado Del Riego vaime dicir a min se en Cadrón avancamos ou non? Pero mira que es ben parvo ... dille que veña alí, que xa llo explico eu ..." "Papá, o señor Del Riego non vai poder ir a ningures porque xa hai que morreu ... " Para daquela xa o vello perdera a paciencia toda comigo e espetoume: "Pois que veña morto, que llo explico igual ...!". "Para que raios quero un banco mollado? Eu quero o meu banco enxoito, aínda que eu estea enchoupado da cabeza aos pés. Por iso gardo os cartos alí, e non nunha caixa de zapatos" Esta conversa foi antemediodía. Xa pola tarde, e despois da sesta, o vello pasaba distraído as follas do Faro, ata que enfociñou nunha delas. "Ves ti, isto si que non ...", escoitei que dicía en voz alta. "Que mosca lle picaría agora!" pensei, e fun cabo del, antes de que chamara por min. Un anuncio de ABANCA ocupaba toda a páxina e poñía: UN BANCO QUE SE MOLLE CANDO TI TE MOLLES. O vello sinalou co dedo as letras e volveu acender. "Así como o nome me pareceu aquelado, isto si que non. Xa estamos con trapalladas! Para que raios quero un banco mollado? Eu quero o meu banco enxoito, aínda que eu estea enchoupado da cabeza aos pés. Por iso gardo os cartos alí, e non nunha caixa de zapatos." "Papá, non é iso ... queren dicir que os teus problemas van ser os seus problemas, é unha maneira de dicir ..." Meu pai cortoume, seco e case autoritario: "E veña que dálle ... Pero a quen raios sairías ti!" |
PRAZA_17432 | Tivemos máis de 13.000 persoas que morreron por riba dos nacementos. Quen pode considerar que é boa xestión de Feijoo equipa, esperar os meses estivais para ir pouco a pouco eliminando pediatras no rural e nas vilas de Galicia? E está a maneira de fomentar a natalidade e o asentamento no cada vez máis despoboado rural? | As crianza son case sempre a maior das preocupacións nas familias, os pediatras son unha sorte de magos que fan diagnoses aos pequenos, aínda que non falen e non expresen os seus síntomas. Unha sociedade ten a obriga que coidar ás xeracións futuras, é lei de vida, e tamén unha realidade da cadea evolutiva, para ter éxito como especie. Son polo xeral ós máis débiles e que precisan máis axuda. Sempre se di que cando es Pai ou Nai empezas a comprender o que é ter medo, cando un fillo está enfermo, aínda que so sexa un catarro. A administración é o garante invisible no proceso de crianza, ten que garantir a calidade de vida e o benestar de esta parte tan importante da sociedade, o futuro de Galicia. Neste senso temos que dicir alto e claro, QUEREMOS PEDIATRAS!! porque todos os días vemos nos xornais que en tal o cal vila ou pobo están protestando porque quedan sen pediatra: Alfoz, Burela, Chantada, Vila de Cruces, Co ruxo ... a administración di que non ten médicos dispoñibles, pero todos sabemos que na realidade é unha amortización de prazas para ir aforrando no que non se pode aforrar, a saúde. Xa pasou cos odontólogos e as matroas nos centros de saúde. Queremos pediatras no rural, queremos pediatras nas vilas e queremos pediatras a 15 minutos de calquera núcleo de máis de 500 habitantes. Iso pediuno CxG no Parlamento de Galicia en Xaneiro e nin PP, nin PSOE, nin Marea, nin BNG apoiaron a proposta, eles saberán. O saldo vexetativo de Galicia é claro e alarmante. Tivemos máis de 13.000 persoas que morreron por riba dos nacementos. Quen pode considerar que é boa xestión de Feijoo equipa, esperar os meses estivais para ir pouco a pouco eliminando pediatras no rural e nas vilas de Galicia? E está a maneira de fomentar a natalidade e o asentamento no cada vez máis despoboado rural? Por decencia e por coherencia cómpre unha solución seria a este problema, non se pode xogar cos máis débiles e non se pode facer este dano a Galicia. É ben que cada casa de Galicia poña na fiestra unha pancarta que diga: "QUEREMOS PEDIATRAS PARA OS NOSOS NENOS". Publicidade |
NOS_19629 | A manifestación central será na Coruña. Ambas centrais chaman a mobilizarse por "+ dereitos + igualdade + cohesión". | CCOO e UXT volven marchar da man o Primeiro de Maio. Unha unidade que en Galiza se concreta en 9 mobilizacións conxuntas, cun acto central que este ano será na Coruña. "Primeiro as persoas: + dereitos + igualdade + cohesión" é o lema deste ano. Tanto Ramón Sarmiento (CCOO) como José A. Gómez (UXT) subliñaron o feito de que este 1M sexa poucos días despois das eleccións do 28A. Independentemente dos resultados, desde ambas as dúas centrais aclaran que este Primeiro de Maio vai ser de reclamar tanto ao goberno do estado como de Galiza "máis dereitos, máis igualdade e máis cohesión". Chegou o momento das "persoas primeiro" e de exixir que se "restitúan" os dereitos afectados polos anos de crise e de recortes. José Antonio Gómez insistiu en que "nós, UGT e CCOO, imos estaraí, vixiantes, para que, sexa cal sexa o goberno que se configure,sitúen ás persoas, aos traballadores e ás súas familias no centro das súas políticas". Sarmiento lembrou que "nos xogamos moito" nestas elección e considera necesario que das urnas saia un gobernó "que empatice coas reivindicacións da clase traballadora". As manifestacións convocadas para este Primeiro de Maio son: A Coruña 12h, Praza da Palloza Santiago, 11.30h, Alameda Ferrol, 12.00h, Inferniño-Porta Nova Lugo, 12.30h, Ronda Muralla Burela (só UXT), 12.00h, Praza Mariña Ourense, 11.30h, Pavillón Remedios Pontevedra, 12.00h, Praza Ferrería Vilagarcía de Arousa, 12.00h, Praza Ravella Vigo, 11.30h, Cruzamento Urzáiz-Vía Norte |
NOS_27314 | O local que esta cadea posúe en Marineda City, A Coruña, comunicou ás dúas persoas que encabezan a candidatura da central nacionalista o seu despedimento 2 horas despois de que lle fora notificada oficialmente a lista da CIG ás eleccións sindicais | Integrar a candidatura da CIG é motivo de despedimento en 'Muerde la Pasta' a famosa cadea de restaurantes con establecementos por todo o Estado español e que ten a súa sede en Castellón. Ou polo menos é motivo de despedimento no local de 'Muerde la Pasta' en Marineda City, na cidade da Coruña. Isto é o que denuncia a central nacionalista, que afirma que dous traballadores dese establecemento herculino foron despedidos tan só dúas horas despois de que a dirección coñecese oficialmente que encabezaban a candidatura da CIG nas eleccións sindicais. No acto de conciliación, a empresa só se amosou disposta a valorar algún tipo de pacto económico mais non a readmitir os despedidos Os dous empregados afectados foron os promotores do proceso de eleccións sindicais, o primeiro que se realizaba neste centro de traballo, no que até o momento non existía representación legal do persoal. Durante o proceso previo ás eleccións, denuncian os traballadores, a empresa dedicouse a presionar aos seus compañeiros e compañeiras e a realizar un labor de desprestixio da CIG, "co obxectivo de amedrentar aos traballadores e conseguir así que os seus candidatos non saísen elixidos". Política de persecución Esta "política de persecución" acadou o seu punto máximo, indica a CIG, o día no que foi notificada oficialmente a lista da central nacionalista. "Tan só dúas horas despois, a empresa comunicou ás dúas persoas que encabezan a candidatura o seu despedimento, mesmo recoñecendo a improcedencia da medida, e rescindindo de xeito inmediato a relación laboral". Malia as presións o proceso electoral seguiu adiante, cunha participación de case o 100% do persoal e resultando elixidos 3 delegados da CIG, entre eles os dous traballadores despedidos. Malia as presións e o ambiente de represión, o proceso electoral seguiu adiante, cunha participación de case o 100% do persoal e resultando elixidos por unha ampla maioría 3 delegados da CIG, entre eles os dous traballadores despedidos. Demanda de nulidade No acto de conciliación polos despedimentos no SMAC, a empresa só se amosou disposta a valorar algún tipo de pacto económico mais non a readmitir os traballadores despedidos. Non obstante, os traballadores proseguirán agora coa vía xudicial, pois "o que queremos é que se recoñeza a nulidade dos nosos despedimentos e non cartos". Denuncian, ademais, que a dirección está a levar a cabo unha campaña de difamación contra deles entre @s compañeir@s de Muerde la Pasta, acusándoos de querer obter só un beneficio económico propio. Condicións precarias Alén da persecución sindical, dende a CIG-Servizos denúnciase tamén os incumprimentos nas condicións laborais que se dan neste estabelecemento, xa que non se respectan as horas de descanso, fanse xornadas de 11 e 12 horas, e tampouco se compensan as horas a maiores como corresponde. |
NOS_44381 | Presentou un escrito dirixido á Consellería de Sanidade solicitando que realicen as xestións oportunas ante o concello para asegurar que se están cumprindo os protocolos para garantir a salubridade da auga. | Pobra de Trives continúa sufrindo problemas coa salubridade da auga, afirman desde Sons de Trives, uns problemas que se remontan ao mes de agosto, data na que, tras analizar a auga da traída, debido a valores elevados de arsénico, se declaraba "non apta" para o consumo humano pola Consellería de Sanidade. Especificábase entón, lembra Son de Trives, a obriga do concello de restrinxir o uso de auga de consumo a calquera actividade que non implicara a súa inxesta ou uso alimentario, comunicar a citada situación á veciñanza antes de 24 horas e buscar algunha alternativa para poder prestar aos usuarios/as do servizo o abastecemento domiciliario de auga potable e garantir a calidade da auga de consumo público. "O Concello emitiu un bando o 13 de setembro para informar da situación, cumprindo cunha parte das obrigas comunicadas pola Consellería", asegura o concelleiro de Son de Trives, Jorge Vázquez, "actuación insuficiente, xa que non se ofreceu en todo este tempo desde o concello nin unha soa alternativa para o subministro de auga apta para o consumo, demostrando así, unha vez máis, a pasividade e inacción do grupo de goberno ante as necesidades esenciais da veciñanza, ao ser o paso do tempo a única acción emprendida". O 29 de setembro, tras realizar novos análises, a auga volvíase declarar apta para o consumo humano. Porén, desde esa data, ddi SdT, "detectouse que a auga sae por veces e zonas totalmente marrón e toldada, desprendendo un cheiro desagradable, o que xera contrariedade na veciñanza". Debido á gravidade desta situación, desde Son de Trives solicitan á Consellería de Sanidade que realicen as xestións oportunas ante o concello de A Pobra de Trives para asegurar que se están cumprindo os protocolos para garantir a salubridade da auga e a tranquilidade da veciñanza afectada |
NOS_42579 | O PSOE negocia coas formacións políticas o apoio á prórroga do decreto do estado de alarma. | A vice presidenta do Goberno español, Carmen Calvo, e a portavoz do PSOE no Congreso, Adriana Lastra, están a contactar con todos os grupos parlamentarios por encargo do presidente do Executivo, Pedro Sánchez, para negociar a nova prórroga do estado de alarma, a cal se tería que votar a vindeira semana, xa que a actual alarma caduca o 24 de maio. Desta volta Sánchez procura unha última prórroga dun mes, para non ter que volver aos 15 días pedir o voto do Congreso. Nese sentido, esta cuarta feira, 13 de maio, na Cámara Baixa, con motivo da sesión de control ao Goberno, o mandatario español prometeu "un estado de alarma distinto" en resposta ás críticas do Partido Nacionalista Vasco, Aitor Esteban, ao mando único do Executivo español no desconfinamento. Sánchez amosouse disposto "a abrir o debate político" e a estabelecer "novos mecanismos" de colaboración coas Administracións autonómicas para o desconfinamento. Nesa liña, segundo sinalaron fontes parlamentarias de ERC e Junts a medios cataláns, Carmen Calvo tería pedido a estes grupos que lles remitisen propostas para incluír modificacións no decreto de alarma. A portavoz do PSOE, Adriana Lastra, dirixiuse ao deputado do BNG, Néstor Rego, para conversar precisamente sobre un novo decreto de estado de alarma. O Bloque, segundo informou a Nós Diario, trasladará ao PSOE as mesmas demandas que xa postulou con motivos dos anteriores decretos de alarma, na vía de recuperar autogoberno e competencias fronte á recentralización por ser, ademais, "ineficiente". E é que a actual prórroga aprobada supuxo gran tensión ao Goberno español, xa que até a última hora do día antes da votación non contaba coa seguridade de sacalo adiante. Foi entón cando se logrou o apoio do PNV e de Ciudadanos. O PP abstívose na anterior votación, mais agora o seu líder, Pablo Casado, anunciou o 'non' da súa formación. Nese sentido, a estratexia do Goberno sería recuperar o voto das soberanistas que lle permitiron a investidura e sumar Ciudadanos (Cs). Sobre a estratexia mantida na última semana polo Executivo español de pactar con Cs, preguntou a Sánchez no pleno o portavoz de EH Bildu, Oskar Matute. "Aposta pola dereita neoliberal recentralizadora e as súas políticas fronte á maioría progresista da investidura? Si ou non?". Matute instou de facto o presidente a "reconstruír as pontes e volver articular a maioría progresista da investidura, apostando por unha fronte progresista que fale de transformar e non tanto de reconstruír". Sánchez pediu ao deputado abertzale "non mesturar os debates", e sinalou que unha cousa é unha "necesidade", en referencia á declaración do estado de alarma, e outra diferente "é o proxecto político progresista" do Goberno de coalición, que persegue "reforzar o estado do benestar, fortalecer os dereitos e liberdades e protexer algúns que están postos en cuestión pola dereita e a ultradereita, como a igualdade de xénero". Alén desta declaración de Sánchez, o certo é que na terza feira, 12 de maio, o presidente comprometeuse coa dereita representada por Ciudadanos a estudar acordos de "futuro" no plano económico e social, e ministras como María Jesús Montero (PSOE) ou Yolanda Díaz (Unidas Podemos) non descartan pactar os orzamentos con Inés Arrimadas. Rego pide no Congreso recuperar as concesións hidroeléctricas O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, requiriu na sesión de control ao Goberno coñecer "que empresas están xestionando os aproveitamentos hidroeléctricos revertidos no ámbito territorial das Confederacións Hidrográficas situadas na Galiza, así como a quen e en que condicións se lles voltou a conceder". A proposta defendida polo Bloque pasa por recuperar a explotación directa dos saltos hidroeléctricos a través dunha empresa pública, aproveitando a fin das concesións, e incluír medidas sociais naquelas cuxa recuperación aínda non sexa posíbel. "A Galiza produce e outros territorios consomen, un deseño económico de cariz colonial, contrario aos intereses e ás necesidades do noso país", destacou o deputado nacionalista. |
NOS_28579 | Unha trintena de directoras e directores de departamento da USC denuncian nun manifesto as consecuencias que devirían para a Universidade de aprobar a Xunta de Galiza "as reducións previstas no borrador da Lei de Orzamentos 2013". | A Xunta de Galiza prevé no proxecto de lei de Orzamentos unha redución de 7,5 millóns de euros na masa salarial da Universidade de Santiago de Compostela. Segundo os sindicatos, a maior tesoirada nos últimos anos. Neste senso, trinta e tres directores de departamento da USC veñen de publicaren un manifesto en que advirten da insostibilidade da Universidade como entidade autónoma de se aprobar os recortes previstos polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo. "Sendo conscientes da profunda crise na que estamos inmersos e do grao de empobrecemento experimentado polo noso país nos últimos anos" aseguran @s asinantes --procedentes da práctica totalidade de facultades que abrangue a USC-- "é preciso esforzarse" polo mantemento "do investimento público" ao entenderen que os fondos destinados á "docencia, á investigación e á innovación" están estreitamente vencellados "á tan necesaria recuperación económica" e á contrución "dun novo modelo produtivo" baseado, din, "no coñecemento". Na actualidade a USC atópase entre as 10 primeiras universidades do Estado español polo que a redución orzamentaria prevista pon en risco o seu mantemento entre as institucións máis recoñecidas. Aliás, @s directoras e directores de departamento salientan que os recortes suporían unha importante merma da autonomía da universidade, cuestión á que "non debe nin pode renunciar" a entidade liderada por Casares Long. Así pois, exixen o mantamento dos fondos públicos que permitan a "lograr os obxectivos de excelencia que ten fixados". Neste senso, @s asinantes demandan do Equipo de Goberno, o Consello de Goberno e o Consello Social "que leven a cabo as accións oportunas en defensa da USC". Directores de Departamento asinantes do manifesto: María Jesús Aira Rodríguez. Directora do Dpto. de Botánica. José Antonio Aldrey Vázquez. Director do Dpto. de Xeografía. Mª Rosario Babío Arcay. Directora do Dpto. de Economía Financeira e Contabilidade José Carracedo Fraga. Director do Dpto. de Latín e Grego. Maria Raquel Casal García. Directora do Dpto. de Historia I. Francisco Cidrás Escáneo. Director do Dpto. de Filoloxía Galega. Antonio Crespo Abelleira. Director do Dpto. de Ciencias Morfolóxicas. 8. Dna. María Dolores Gómez Pedreira. Directora do Dpto. de Matemática Aplicada Gumersindo Feijoo Costa, Director do Depto. de Enxeñaría Química. Lourenzo Fernández Prieto. Director do Dpto. de Historia Contemporánea e América. Francisco Fernández Rivera. Director do Dpto. de Electrónica e Computación. Carmen Franco Vázquez. Directora do Dpto. de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal. Eduardo García-Rodeja. Director do Dpto. de Edafoloxía e Química Agrícola. José Gil Longo. Director de Dpto. de Farmacoloxía Tomás Jiménez Juliá. Director do Dpto. de Lingua Española Xosé López García. Director do Dpto. de Ciencias da Comunicación. Laurence Malingre. Directora do Dpto. Filoloxía Francesa e Italiana. Castor Méndez Paz. Director do Dpto. de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía. Cristina Mourón Figueroa. Directora do Dpto. de Filoloxía Inglesa e Alemá Arturo X. Pereiro Rozas. Director do Dpto. de Psicoloxía Evolutiva e da Educación Agustín Montes Martínez, Director do Dpto. de Psiquiatría, Radioloxía e Saúde Pública. Edelmira Neira Fontela. Directora do Dpto. de Organización de Empresas e Comercialización. Mª Isabel Quiroga Berdeal. Directora do Dpto. de Ciencias Clínicas Veterinarias Rubén Retuerto Franco. Director do Dpto. de Bioloxía Celular e Ecoloxía. Dolores Riveiro García, Directora do Dpto. de Fundamentos de Análise Económica. Xosé Antón Rodríguez González. Director do Dpto. Economía Cuantitativa José Manuel Rodríguez Rial. Director do Dpto. de Filosofía e Antropoloxía Social. José Miguel Sagüillo Fernández-Vega. Director do Dpto. de Lóxica e Filosofía Moral. Laura Sánchez Piñón. Directora do Dpto. de Xenética Rosa Señarís Rodríguez. Directora do Dpto. de Fisioloxía Hortensio Sobrado Correa. Director do Departamento de Historia Medieval e Moderna Ramón Velo Sabín. Director do Dpto. de Enxeñaría Agroforestal Montserrat Zurrón Ocio. Directora do Dpto. de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía |
NOS_9532 | En Vilerma, aldea de Sarria, a AELG tributará unha homenaxe á escritora Xela Arias, unha lembranza máis meses despois de se cumpriren os dez anos do seu pasamento. O acto terá lugar o vindeiro sábado ás 12:00 horas. | Meses despois de se cumpriren dez anos do pasamento de Xela Arias, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) promove unha homenaxe na súa memoria que terá lugar na aldea de Vilerma, parroquia de Maside, no concello de Sarria. Será o segundo acto de homenaxe á autora xa que a AELG lembrou xa a Xela Arias en Vigo no mes de marzo, nun acto celebrado no instituto no que a poeta impartira aulas. Desta volta, a AELG dirixirase a Sarria para "testemuñar a dimensión extensa da súa personalidade, activa e curiosa, polifacética, que sumou poesía, música e plástica". Unha placa na casa familiar na que viviron a escritora e tamén seu pai, o tradutor coma ela, cofundador e presidente da Asociación de Tradutores Galegos quedará como pegada da homenaxe na que intervirán o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias e recitarán textos da autora as escritoras Antía Otero, María Xesús Nogueira, Marica Campo e o escritor Xulián Maure. A AELG convida a asistir a este acto de memoria cunha muller que, segundo destacan "sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua". No mes de marzo, a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura organizou tamén unha xornada de estudo e homenaxe á poeta e tradutora xunto á tamén escritora e música Luísa Villalta coordinada por Ana Romaní e Arturo Casas. |
NOS_41443 | A Romería Viquinga de Catoira, a Festa da Istoria de Ribadavia ou o Arde Lucus son algunhas das opcións prediletas dos e das galegas. | O titular de Cultura, Román Rodríguez, explicou que a Xunta está a traballar no regreso das festas e das verbenas, reconfiguradas como eventos de até 1.000 persoas de pé e 10.000 sentadas en recintos de gran tamaño, en ambos casos sempre coa máscara posta en todo momento e levando conta dun rexistro de asistentes. Ante este novo escenario, moitas persoas comezaron a pensar en cal será a primeira festa á que acuda nun período de dous anos. Mais, cales son as festas favoritas dos galegos e das galegas? Estas son só algunhas das máis populares: Romería Viquinga de Catoira (1 de agosto). O pobo viquingo leva desde 2019 agardando por este momento, que está cada vez máis próximo. Tanto é así que o Concello xa traballa na reparación do casco do drakkar Torres de Oeste Festa da Istoria de Ribadavia (27-28 de agosto) Suspendida en 2020, a organización xa dá por imposíbel que se repitan as tradicionais estampas nas que se congregan varios miles de persoas nas rúas de Ribadavia, mais non descartan desenvolver actividades con aforo limitado e respectando unhas estritas normas sanitarias Arde Lucus de Lugo (17-20 de xuño) Polo de agora, o Concello di que a programación depende da evolución da pandemia, pois sinalan que "esta edición, na que cumprimos 20 anos, debe ser ante todo segura", mais confirman que repetirán parte das actividades virtuais que se desenvolveron durante o ano 2020. Festas de María Pita da Coruña (Tres primeiras semanas de agosto) O aumento de casos producidos na cidade herculina logo do 'Caso Fuenlabrada' obrigou á suspensión das festas de 2020, polo que a cidadanía coruñesa agarda que este verán, aínda que sexa condicionadas pola pandemia, poidan volver gozar dunhas festas que sempre atraían a atención de miles de turistas. Festas da Peregrina de Pontevedra (segunda semana de agosto) O Concello de Pontevedra configurou unhas festas da Peregrina "descentralizadas", cunha programación cultural que se estende até o mes de setembro, mais xa avisou de que as medidas de seguridade non serán moi diferentes das estabelecidas para a súa edición do pasado ano 2020. Ademais, polo de agora descartan a presenza das tradicionais atraccións de feira. |
NOS_41068 | Máis unha xornada de mobilizacións a prol do emprego e dos servizos públicos. Os colectivos feministas berrarán, alto e forte, aborto libre e gratuíto! | Esta segunda, a Confederación Intersindical Galega (CIG), CC.OO e UGT, convocan máis unha xornada de reivindicación a prol do emprego público e contra a política de recortes do Partido Popular. Após o pasado 19 de xullo, en que as centrais sindicais conseguiron masivas mobilizacións en toda Galiza contra as medidas de axuste aprobadas polo goberno español, as organizacións sindicais volven saír á rúa para defender @s traballador@s da administración pública. Tanto a CIG, CC.OO e UGT fixeron un chamamento á cidadanía galega a participar masivamente nas mobilizacións convocadas este 30 de xullo nas sete principais cidades e vilas do país. As centrais sindicais maioritarias, e outras organizacións de traballador@s, convocan manifestacións nos seguintes lugares: - A Coruña, saída ás 19:30 horas da praza de Pontevedra - Ferrol, saída ás 20:30h da praza de España - Santiago de Compostela, saída ás 20:00 horas da praza Roxa. - Lugo, saída ás 20:00 horas do edificio administrativo da Xunta. - Ourense, saída ás 20:00 horas do pavillón dos Remedios. - Pontevedra, saída ás 20:30 horas da praza da Ferreiría. - Vigo, saída ás 20:30 horas da vía Norte. Do mesmo xeito, os colectivos feministas fixeron un chamamento a toda a cidadanía a secundaren as mobilizacións co gallo das declaracións do ministro de xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, en que aseguraba, non só a repenalización do aborto, senón a involución lexislativa cara a tempos anteriores a 1985. O movemento feminista berrará alto e forte nas manifestacións desta segunda: aborto libre e gratuíto! |
NOS_18442 | A coordinadora do grupo de investigación Dereito Público Global-Observatorio do Litoral da UDC, Marta García, intervirá este sábado na Coruña no marco das xornadas 'A enerxía eólica mariña nas augas españolas, solución ou problema'. Nós Diario conversa coa profesora García a respecto da polémica sobre a eólica mariña. | —Os tres proxectos anunciados de eólica mariña na Galiza (San Brandán, San Cibrao e Nordés) que impacto suporán na pesca? É necesario estudar cada un dos proxectos e valoralos. O problema non é o impacto que están a acusar estes proxectos á pesca, o problema é que até o momento non sabemos o impacto real que poden chegar a causar no futuro. Do que si non hai dúbida é que estes proxectos, en maior ou menor medida, interfiren en zonas de pesca intensiva, é dicir, zonas onde hai unha grande actividade pesqueira. Polo que até agora se sabe é que, polo menos, a pesca de arrastre é incompatíbel coas eólicas. Estamos nun punto onde non hai que preocuparse por estes proxectos en concreto, senón pola previsión que hai de instalar eólicas mariñas en zonas de alta intensidade pesqueira. —E máis alá da pesca. Pode ter impacto sobre o medio? Eu creo que si. Hai moitos estudos que están incidindo en que se debe actuar con moita precaución, que é un principio básico do dereito ambiental. O problema é que non hai certeza de como pode chegar a interferir en cuestións como a biodiversidade. Debería ser un momento de máxima prudencia, mais non sei se é compatíbel coas urxencias que veñen desde Europa. —Ao tratarse dunha enerxía nova, pódese calcular o seu impacto a longo prazo? Nos estudos que estou vendo sobre o tema, o que se percibe é moita incerteza, algo que xustifica sen dúbida o nerviosismo do sector pesqueiro. Con todo, é moi difícil calcular o posíbel impacto a longo prazo. —Do punto de vista lexislativo, como se pode protexer a pesca e o medio ante a eólica mariña? O primeiro paso que se debe dar é para parar. É fundamental que nos deteñamos e que reflexionemos. Nestes momentos, por exixencias de Europa que nos obrigan a tomar certas decisións, estanse a elaborar os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) cos que se pretende planificar o que se vai facer co espazo mariño. Nesa iniciativa, o Ministerio de Transición Ecolóxica ten preparados uns proxectos de plans para cada unhas das demarcacións mariñas, e eses plans teñen varios problemas moi serios desde o punto de vista xurídico. O principal é que entre os sectores de uso prioritario que se contemplan do medio mariño non está a pesca. Para min iso é suficiente como para parar os plans e facer o posíbel pra incluír a pesca neles. Non podemos aceptar a eólica mariña sen contemplar os problemas que poden darse para a pesca. É momento de pensar que pasou para que o Ministerio teña ignorado por completo o principal sector de actividade no medio mariño. —'Enerxía eólica, solución ou problema' é o título da xornada na que participará mañá. Que outros problemas ten esta enerxía? Cando falamos de posíbeis problemas, para min un moi salientábel é a inseguridade xurídica. Cando desde Europa se nos empuxa a adoptar decisións sobre o noso medio mariño faise en función de varios factores como o ambiental e o socioeconómico. Fagamos unha planificación que permita aumentar a riqueza das poboacións que viven do mar. Mais o que é vital é favorecer a seguridade xurídica, é preciso saber con anticipación onde se vai poder realizar cada actividade e en que condicións. Polo contido dos POEM parece que non vai existir esa seguridade xurídica o que pode levar a que sexan impugnados por entidades ou asociacións. O contido da xornada na Coruña A lonxa da Coruña acolle este sábado xornada 'A enerxía eólica mariña nas augas españolas, solución ou problema. Unha visión interdisciplinar'. O evento constará de dúas mesas redondas onde se debaterá o modelo eólico mariño e as súas posíbeis repercusións. A este respecto, Marta García indica cal é o obxectivo do encontro: "Tentaremos suplir a carencia de participación que existe. Non é o primeiro encontro en que participo e en todos a sensación é que compartimos preocupacións e coñecemos os problemas que se poden derivar da eólica mariña". A catedrática adianta a Nós Diario que vai expresar unha mensaxe moi clara: "É preciso achegar posicións, non hai un modelo único e é preciso achegar posturas. Non nos podemos negar á eólica mariña mais tampouco podemos dar as costas ao sector da pesca". |
NOS_3335 | A produción artística galega do primeiro terzo do século XX goza, nalgúns casos, como poden ser as estampas de Castelao, dunha enorme popularidade, até certo punto tan persistente no tempo como a súa propia vinculación ideolóxica. | É algo que choca co descoñecemento doutras obras e tamén coas enormes dificultades da maior parte do público para dar conta do contexto artístico, tanto local como internacional, no que foron producidas. Fronte da arte. A arte galega no contexto europeo dos anos trinta / Carlos L. Bernárdez / Laiovento / 2020 / 145 páxinas / 17 euros papel / 9 euros ebook Vemos esas pezas como un produto concreto do momento histórico, pero nin sequera aquelas persoas con certa formación concreta saberían moitas veces explicar o seu significado máis aló do poderoso valor local que conservan e moito menos trazar as súas ligazóns con outros fenómenos artísticos. Esta é a primeira aposta de Fronte da arte, o novo libro de Carlos L. Bernárdez, un dos grandes coñecedores da arte galega deste período e que, nas distintas partes da obra, traza habilmente os seus lazos con outros movementos. Máis aló da percepción particular deste período que conservamos a un nivel popular, o autor demostra que non é alleo ao espírito dos tempos, especialmente ao chamado "realismo de entreguerras", marcado pola politización da arte e a reivindicación do seu papel nas loitas sociais. Trátase dunha proposta composta por varios artigos xa aparecidos en prensa e revistas, unha práctica frecuente e que a miúdo pon en cuestión a unidade das obras. Por máis que nesta ocasión todas estas pezas respecten a mesma consideración temática e tamén un enfoque similar, é evidente que moitas das achegas son parciais e ás veces chaman por unha ampliación. Confórmase a obra, por tanto, de cinco ensaios breves sobre o papel do social na arte galega antes, durante e despois da guerra civil, as figuras femininas na pintura de Carlos Maside, o traballo de artista gráfico de Luís Seoane en dous semanarios, a aposta construtivista da publicación Yunque e, finalmente, o papel da arte nos campos de concentración, tanto naqueles que acolleron aos republicanos como nos pertencentes ao plan de exterminio nazi. Son perspectivas que, se desculpamos ese certo carácter fragmentario inherente ao propio proxecto compilador, resultan ben interesantes, con especial atención á última, sen dúbida a máis comprometida cunha análise internacional e que atinxe a obras e fenómenos pouco coñecidos. Hai que salientar tamén a importancia do apartado gráfico e o compromiso da editora coa súa reprodución. Non é, nin de lonxe, a de todas as obras mencionadas, pero si constrúe un complemento imprescindíbel para a lectura. |
NOS_5952 | A través dun anuncio na súa web, o grupo promotor do manifesto "Pola unidade" publica unha convocatoria aberta na que se teñen que anotar todas as persoas que queiran portar ir na cabeceira da manifestación do 25 de xullo. | O grupo promotor da manifestación "Pola unidade" que partirá o vindeiro 25 de xullo ás 12 da mañá desde a Alameda de Compostela promove, a través da rede, unha convocatoria aberta para se anotar as persoas que queiran portar a faixa da cabeceira ou ir inmediatamente detrás. A única condición que sinalan para ocupar eses postos iniciais é que non se poderán levar simboloxías partidarias ou que non responda "ao espírito inclusivo da convocatoria". Na faixa inicial, como anunciaron en rolda de prensa, poderase ler só o lema "A nación galega", sen ningún logotipo nin símbolo. Representantes do grupo promotor convidaron a pasada sexta feira a organizacións, entidades, asociacións e a toda a cidadanía a participar nunha convocatoria que quere ser "de unidade e multitudinaria". Desde a páxina tamén se poden descargar cartaces e logotipos, tamén para mudar o perfil de twitter. |
NOS_233 | Cunha pedra rompeu o cristal da porta dos xulgados de Vigo e accedeu até a sala de Violencia sobre a Muller onde causou diversos danos en expedientes e materiais. | Na madrugada deste sábado 9 de novembro un home entrou nos xulgados de Vigo rompendo cunha pedra os cristais da porta principal. Unha vez dentro, accedeu á sala de Violencia sobre a Muller, no cuarto andar do edificio. Alí arrasou expedientes, danou material e tirou diversos computadores ao chan. O culpábel foi detido porque, após realizar os actos, foi a un bar desde onde chamou a policía para confesar o que fixera. Aínda non se deron a coñecer as motivacións do atacante, mais é evidente que a súa idea era esta atacar a sala que atinxe as violencias machistas, xa que o home non accedeu a ningunha outra sala do edificio. |
NOS_47213 | O sector da hostalaría ten que continuar a aboar pagamentos mentres está fechado. | Logo do fechamento obrigatorio da hostalaría en 60 concellos anunciado esta semana polo presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, o Consello da Xunta abordou esta quinta feira, 5 de novembro, "unha liña urxente de axudas en apoio da hostalaría e do turismo", pendentes de seren negociadas co sector e coa Mesa de diálogo social. As axudas oscilarán entre un mínimo de 2.200 euros e un máximo de 7.000 aproximadamente, dependendo de se o negocio é un estabelecemento a cargo dunha persoa sen empregadas (recibiría a contía mínima) ou, se pola contra, tiver persoal contratado. As axudas tamén dependerán do nivel de perdas e do tempo que leve fechado. Así, estaríase a falar de 1.200 euros como complemento á prestación por cese de actividade do Estado e 4.000 euros máis en caso de ter persoas empregadas, ter estado en ERTE nalgún momento desde que empezou a pandemia e ter unha baixada de facturación de máis de 50% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Aliás, poderase contar con 1.000 euros máis por cada mes que teñan que permanecer co feche posto. "Estas son axudas adicionais á bonificación de 100% da Seguridade Social e de 70% do salario" que cobren os ERTE do Estado, dixo Feixoo, subliñando que co feche obrigado da hostalaría estes negocios teñen posibilidade de volveren solicitar expediente de regularización de emprego temporais. Durante a comparecencia o presidente reiterou que as axudas da Xunta son "adicionais" ás estatais e, de facto, aproveitou para pedir ao Executivo de Pedro Sánchez a redución do IVE no sector turístico a 4% mentres dure a pandemia. Tamén mandou deberes aos concellos: eximir de impostos o sector hostaleiro en 2020. En conclusión, a Xunta anuncia medidas "adicionais" e carga sobre outras Administracións a responsabilidade de salvar o sector ao que a propia Xunta prohibe traballar. Esta actuación contrasta coa tomada noutros territorios, como en Catalunya, onde a Generalitat, após decretar o cese de actividade na hostalaría, aprobou a redución para o sector dos prezos dos alugueres a 50%, sempre que hostaleiro e propietario do local non chegasen a un acordo para baixar o custo. Tornando á Galiza, a comparecencia do presidente non permitiu esclarecer o orzamento que a Xunta destinará para as súas axudas, pois dependerá, segundo indicou Feixoo, da cantidade que cada estabelecemento solicite entre eses 2.200 e 7.000 euros. "Superarán desde logo os 12 millóns", dixo Feixoo, engadindo que "o número de entidades que poden solicitalas son nos 60 concellos con restricións 12.800 estabelecementos afectados, 7.000 nas cidades. No total da hostalaría estamos falando de 21.000". Feixoo quere "salvar o Nadal" sen concretar se haberá turismo Só os 60 concellos galegos con feche perimetral fican blindados ao turismo. Porén, a apelación reiterada do presidente da Xunta a "salvar o Nadal" coas novas restricións e poder regresar a "certa normalidade de hábitos de consumo e sociais" fai preguntarse se decembro repetirá o esquema do verán en canto á libre chegada de visitantes do Estado e de todo o mundo. Mais Feixoo preferiu non adiantar acontecementos. Así, preguntado a este respecto por Nós Diario, o presidente limitouse a responder que "anticipar decembro cando acabamos de fechar... é prudente esperar e ver, pero calquera persoa que nos visita ten que cumprir as mesmas normas que temos na Galiza". A previsión é que as restricións duren un mes e reactivar o consumo no Nadal, mais rematou matizando que non se pode descartar ter que mantelas máis tempo. O sector da hostalaría galega pide un plan de rescate Ás poucas horas de o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciar ante a prensa a liña de axudas do Goberno galego ao turismo e hostalaría, o sector da restauración e a hospedaxe acusou nun comunicado público de "desproporcionadas" algunhas das restricións que soportan e piden aos Gobernos galego e español un "plan inminente de rescate" que inclúa medidas como a exoneración da parte da cotización empresarial de 85% ou 75% (en función do número de traballadores), así como a exoneración da cota de autónomos en calquera das modalidades, limitación ou impedimento. O comunicado, asinado por seis asociacións que cobren a xeografía galega, reclama axudas directas a autónomos para complementar, cando menos, 70% da base de cotización actual cun mínimo de 1.200 euros mensuais. Tamén piden a paralización de taxas e impostos en todos os abastecementos de enerxía e garantir a ausencia de cortes de subministración motivados por impago. O comunicado exixe a compensación de taxas e impostos até decembro de 2020 e a anulación dos mesmos para 2021 do canon de saneamento da Xunta, do imposto de actividades económicas e do IBI. Así mesmo, o sector pide que se estabeleza o IVE reducido a 4% para as actividades de Hostalaría e Turismo e o estabelecemento de axudas directas por valor de 30.000.000 euros que compensen como mínimo 50% das perdas ocasionadas polo fechamento. Ademais, o sector chama a decretar a redución dos alugueres a 50%, seguindo a liña marcada polo real decreto aprobado en outubro pola Generalitat de Catalunya. |
PRAZA_7089 | Nós, nun berro colectivo de rabia, deixamos claro que non pensamos dar nin un paso atrás, todo o contrario, estamos aquí, unidas e unidos, para conquistalo todo, para vencer | Este sábado 29 de novembro as Marchas da Dignidade manifestaranse en cinco columnas polas rúas de Compostela ata confluír no Obradoiro ás 12 horas Despois de meses de traballo, chega o día. Este sábado 29 de novembro as Marchas da Dignidade manifestaranse en cinco columnas polas rúas de Compostela ata confluír no Obradoiro ás 12 horas, co obxectivo de realizaren unha das máis importantes mobilizacións dos últimos anos. A meta é ambiciosa. A idea de ocupar en manifestacións a Praza do Obradoiro non se plantexa dende aquelas mobilizacións do Nunca Máis que no 2003 axitaron Galiza e o Estado, ou dende que no 2011 as e os indignados tomaran as prazas. O noso lema é moi sinxelo: Pan, Traballo e Teito para todas e todos! Pero só é unha forma de resumir o que buscamos dende a Plataforma. As Marchas da Dignidade engloban todas as loitas que comezan a xurdir e a cobrar forza dende o comezo da crise. Stop Desafiuzamentos, o movemento feminista e LGTBI, as Mareas pola Educación e Sanidade Públicas, as protestas contra o TTIP ou contra a precariedade laboral xeneralizada e o exilio da mocidade, son só algúns exemplos. As Marchas da Dignidade engloban todas as loitas que comezan a xurdir e a cobrar forza dende o comezo da crise Este movemento está demostrando ser a base da protesta social que precisamos, tanto pola súa forza como pola unidade que promove (forzas políticas como AGE ou Podemos, sindicatos coma a CUT ou o SLG, organizacións estudantís, asociacións, asembleas...). Isto é fundamental, xa que non pode haber cambio político-social sen unha mobilización forte nas rúas e sen un tecido social capaz de facer escoitar as súas exixencias e reivindicacións. A vía electoral non é suficiente, estamos preto de dar un golpe decisivo ao Réxime do '78, temos que facelo ben. Dende as Marchas da Dignidade facemos un chamamento á participación este sábado, pero tamén a implicarse nas mesmas. Só unindo loitas e sumando as nosas forzas poderemos botar a aqueles que nos venden aos mercados, a aqueles que nos fan pasar fame e nos botan da casa, a aqueles que nos deixan sen bolsas para estudar e que nos obrigan a exiliarnos ao estranxeiro, a aqueles que ignoran as demandas do pobo e queren controlar o corpo das mulleres, aos dos aramados en Melilla, a aqueles que defenden este sistema podre. A través do medo, queren que agochemos a cabeza mentres eles destrúen todo o que nos importa e nos rouban todo o que necesitamos, mentres nos avasalan A través do medo, queren que agochemos a cabeza mentres eles destrúen todo o que nos importa e nos rouban todo o que necesitamos, mentres nos avasalan. Queren quitarnos a nosa dignidade! Nós, nun berro colectivo de rabia, deixamos claro que non pensamos dar nin un paso atrás, todo o contrario, estamos aquí, unidas e unidos, para conquistalo todo, para vencer. Porque o pobo unido xamais será vencido! |
QUEPASA_336 | Coincidindo co seu 119º cabodano, os alcaldes de Carballo e Santiago fixéronlle unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela | Coincidindo co seu 119º cabodano, Alfredo Brañas recibiu este mércores no Panteón dos Galegos Ilustres, o recoñecemento dos dous concellos que marcaron o principio e o fin da súa traxectoria vital: Carballo, onde naceu, e Santiago, onde morreu. Os dous alcaldes, o carballés Evencio Ferrero e o compostelán Martiño Noriega, acompañados pola presidenta do Padroado Alfredo Brañas, Adriana Hurtado de Mendoza, participaron nunha ofrenda floral á que se sumaron boa parte dos membros do padroado, veciñanza do noso concello entre a que se atopaba a directora do IES Alfredo Brañas e tres sobriños-netos do autor de El Regionalismo. Unha coroa de loureiro e a interpretación colectiva do Himno Galego a son da gaita simbolizaron o respecto, a lembranza e o recoñecemento dos dous pobos a unha das figuras claves da historia política, literaria e xornalística de Galicia. Evencio Ferrero destacou o "traballo de descubrimento e desmitificación" sobre a figura de Alfredo Brañas que se está a realizar. "Foi uhna persoa que ten escrito, teorizado e organizado o movemento rexionalista, ao que tanto lle ten aportado; que foi recoñecido, fóra das nosas latitudes, en Cataluña, onde os precursores do nacionalismo catalán tamén beberon das fontes de Brañas para teorizar sobre o seu corpus e o seu ideario político. Brañas, a pesares de morrer moi novo, deixou un corpo teórico que merece a reflexión nun país que precisa referentes identificables con esta patria". Así mesmo, o alcalde de Carballo lembrou que Alfredo Brañas é unha das figuras destacadas no discurso Alba de Gloria de Castelao, "que pasa por ser o máis importante feito nunca en lingua galega", que foi o primeiro en utilizar o idioma galego na Universidade Compostelá e nuns xogos florais, "e iso forma parte da propia identidade. Eu non sei se o xene carballés tivo que ver con iso, pero si que nós, como carballeses, sentímonos tremendamente orgullosos de que o noso Fillo Predilecto lle legara tanto a este país, ao país que queremos e ao país polo que decidimos, tamén, pelexar". "Para nós era inevitable estar aquí –manifestou Martiño Noriega- porque, como ben dixo Evencio, a figura de don Alfredo é unha figura que transcende, unha figura precursora, cunha lectura propia e identitaria do país, dunha dimensión intelectual innegociable e que se ten apropiada por alguén ten que ser apropiada polo conxunto do pobo galego na construción da súa memoria". O alcalde de Santiago asegurou que a presenza de Alfredo Brañas "é un continuo o en Santiago", dende o rueiro ata a corporación municipal, da que formou parte, e onde deixou "unha pegada importante". Martiño Noriega agradeceu o convite do Padroado Alfredo Brañas e amosouse "encantado" de compartir acto tamén con Evencio Ferrero, "persoa á cal coñezo e admiro dende hai moitos anos pola calidade humana e tamén polo seu compromiso co conxunto do país". Xa ao remate do acto, como é tradición na familia, os tres sobriños-netos de Brañas depositaron cadansúa rosa vermella nas tumbas do seu tío-avó e de Rosalía de Castro. |
NOS_41595 | Donald Trump estaría a procurar unha vacina só para os Estados Unidos de América. | A Comisión Europea garantiu máis fondos para o laboratorio farmacéutico alemán CureVac, ao que o presidente de Estados Unidos de América, Donald Trump, ofrecera unha importante suma de diñeiro a cambio dunha vacina contra o coronavirus que só estivese dispoñíbel para o seu país. Así o asegurou a xefa do Executivo comunitario, Ursula von der Leyen, nunha mensaxe compartida na rede social Twitter despois de que ela e a comisaria de Innovación e Investigación, mantivesen unha conversa telefónica coas responsábeis da compañía. "A UE apoiou desde o principio a investigación da compañía e agora a financiará de novo. É crucial para atopar canto antes a vacina que axude a todo o mundo", expresou a alemá. Segundo informara o xornal Welt am Sonntag, a administración Trump tentaría fichar o persoal científico desa empresa para traballar para Estados Unidos cunha oferta de 1.000 millóns de dólares sempre coa condición de que calquera vacina que se lograse estivese dispoñíbel "só nos Estados Unidos". A reportaxe cita fontes do Goberno alemán que explicaron esa situación en declaracións baixo condición de anonimato. |
NOS_19226 | O administrador concursal investiga irregularidades nas contas e sinala aos xerentes, ex tenentes de alcalde do PP. A liquidación da empresa galega levaría consigo a centos de gandeiros galegos, que vendían o leite a cambio de pagarés. | Alimentos Lácteos, que entrou en concurso de acreedores en maio deste ano e acumula unha débeda de 10 millóns de euros, achégase ao peche definitivo. A empresa Pascual, un dos seus principais acreedores, comezou as xestión para desafiuzar ao grupo lácteo galego creado en 2010 da fábrica de Outeiro de Rei, en Lugo. Pascual executou a claúsula para dar por rematado o contrato de alugamento, decisión que foi comunicada ao administrador concursal. As e os 81 traballores de Alimentos Lácteos agardan xa un segundo ERE polo parón da fábrica nos últimos meses. O futuro da empresa, formada por once cooperativas e creada polo anterior conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, pende dun fío. O informe do administrador concursal revela ademais presuntas "irregularidades" nas contas, que están a ser investigadas, durante os tres primeiros anos de existencia. As sospeitas apuntan aos xestores da compañía galega, Eugenio Montero e Arcadio López, ambos ex tenentes de alcalde polo PP. Coa factoría parada e ao bordo da liquidación, a Xunta intensificou as negociacións para que Feiraco rescate o proxecto. Mais o persoal teme que o único interese da leiteira sexa quedar coas marcas Deleite e Muu, as principais que se producen en Outeiro de Rei, e non manter os seus postos de traballo. O peche de Alimentos Lácteos levaría consigo a centos de gandeiros galegos, que vendían o leite a cambio de pagarés. |
NOS_16731 | O alcalde e activista bretón Christian Troadec procura apoios, alén de Bretaña, en Iparralde, Córsega, Occitania, Alsacia e Catalunya Nord para concorrer en 2017 aos comicios franceses. | Unha candidatura que represente os intereses dos diferentes pobos e nacións sen estado que integran Francia para chegar ao Elíseo, o símbolo do centralismo político francés, e dar finiquito o xacobinismo territorial galo? Pois tal parece ser a intención de Christian Troadec, un político e activista bretón, alcalde da vila de Karaez, conselleiro rexional, líder da organización política Breizh War Raok e un dos impulsores dos 'gorros vermellos', que tanta guerra deron en 2013 a París. Comprometido coa defensa da cultura bretoa, Troadec é un firme partidario de impulsar un proceso de descentralización en Francia que vaia da man so recoñecemento das "identidades territoriais". Por iso, a e a través dun comunicado e tal e como dá conta Nationalia,, este político anunciou a súa intención de concorrer ás eleccións presidencias que Francia realizar en 2017. Para iso, vai comezar unha xira polos diferentes pobos para recoller apoios. Precisa, segundo a lei francesa, a sinatura dun mínimo de 500 cargos electos para poder presentarse. Comezará esta 'tourné' en Alsacia, "rexión sacrificada no marco da reforma territorial". E asegurou que pasará por Iparralde, Córsega, Occitania e Catalunya Nord para ir sumando apoios. Nas eleccións contonais do mes pasado os partidos das nacións sen estado atinxiron resultados salientábeis en Iparralde, Córsega e Alsacia. Troadec, cómpre lembralo, non enmarca o seu proxecto nun discurso soberanista ou independentista, nin sequera nacionalista, senón nun proceso de descentralización política e acorde coa identidade dos pobos. Imaxe: Breizh |
NOS_32865 | A Plataforma Queremos Galego non desbota recurrir á Xustiza se o Concello de Compostela non dá marcha atrás na súa intención de cobrarlles 600 euros por poñer un palco na Praza da Quintana co gallo da manifestación do 27 de xaneiro en defensa do idioma | Queremos Galego convocou para este 27 de xaneiro unha manifestación nacional en defensa do idioma propia de Galiza. Unha mobilización que está a recibir, segundo sinalaba nesta sexta feira, Carlos Callón, numerosas adhesións e apoios nestas semanas previas á súa realización. Un dinamismo a prol do galego que, salienta Callón, non decae malia os "impedimentos" do goberno local de Compostela, en mans do PP, para que esta manifestación se leve a cabo. Neste sentido, Queremos Galego lembra que o goberno lles impón unha fianza de 600 euros "para poder instalar o noso propio palco na Praza da Quintana". Unha medida "inconcebíbel" que se aplica a unha entidade sen ánimo de lucro, como é Queremos Galego, e a unha manifestación a favor do galego. "O goberno bipartito de Compostela, bipartito polo de Ángel Currás e Paula Prado, semella que non quere que milleiros de galeg@s veñan a Compostela a defender o idioma". A imposición deses 600 euros de fianza, apuntan, desde a Plataforma é un sen sentido. Confían en que o Concello dé marcha atrás. De non o faceren, afirma Carlos Callón, Queremos Galego valorará a posibilidade de emprender accións xudiciais. Xustiza xa lles deu a razón unha vez A plataforma lembra que non é a primeira vez que o goberno local do PP de Compostela pon cambadelas e impedimentos a actos e mobilizacións a prol do galego. Apontan, neste sentido, aos obstáculos postos á realización do Correlingua ou a denegación dos permisos para a colocación dun palco e dun punto de luz para a megafonía nunha manifestación a prol do galego. Daquela, a xustiza actuara con axilidade dera a razón a Queremos Galego tendo o Concello que autorizar esas instalacións. Desde Queremos Galego, non obstante, deixan claro que a manifestación hase realizar (27 de xaneiro, con saída ás 12:00 desde a Alameda) e haberá acto final na Praza da Quintana, que contará con actuacións de Uxía e Ses. Carlos Callón incideu no "gran dinamismo" que nestas semanas están a detectar polas comarcas do país, con actos e adhesións á manifestación nacional. Na páxina de Queremos Galego poden consultarse os horarios e lugares de partida dos autocarros fletados desde diferentes vilas e cidades galegas para asistiren a esta mobilización. |
NOS_31629 | Como era previsíbel, a conselleira de Traballo e Benestar non acudiu ao acto de conciliación pola querela apresentada contra ela polo suposto líder da Operación Zeta, o empresario coruñés Gerardo Crespo. | Beatriz Mato continúa no ollo do furacán. Após a xuíza ter remitido unha providencia á Xunta de Galiza para saber que cargos ocupaba entre 2008 e 2012 -os 4 anos en que supostamente se consumou a fraude dos cursos de formación-, a conselleira de Traballo e Benestar resolveu non presentarse esta quinta feira ao acto de conciliación pola querela por inxurias interposta contra ela por Gerardo Crespo. O acto de conciliación ía decorrer no xulgado de instrución número 2 da Coruña. Si que se apresentou o procurador da membro do goberno Feijóo. Explicou sucintamente que na súa opinión non hai materia querelábel porque as expresións proferidas por Mato en relación a Crespo foron parte do debate parlamentar e "non reúnen requisitos de tipo penal algún dos tipificados como delitos contra a honra". Crespo, sobre Pachi Lucas: "É moi, moi amigo e protexido de Mariano Rajoy" Quen si fixo acto de presenza no xulgado foi Gerardo Crespo. En declaracións á imprensa, o suposto artífice da trama reiterou os seus ataques a Feijóo, a quen acusa de mentir, recriminación que tamén dirixe á conselleira Mato. A tese de Crespo é que os cursos de formación contratados pola Xunta si que se realizaron e que está en condicións de demostralo. A investigación coida, por contra, que entre 2008 e 2012 facturou arredor de 20 millóns de euros (15 á Xunta, 5 á Administración do Estado) por cursos que ou ben non se impartiron ou se fixeron de forma irregular. Crespo voltou a pór no albo a Pachi Lucas, o amigo íntimo de Feijóo, agora tamén baixo sospeita da xuíza. Desta volta, o empresario non se detivo en Feijóo e elevou o tiro a Rajoy. Dixo: "É moi, moi amigo e protexido de Mariano Rajoy" e engadiu: "Foi apadriñado por familias de Pontevedra onde está Mariano Rajoy". O empresario dixo que recrutara Pachi Lucas "através das familias de Pontevedra" e que o fichara porque "me parece o mellor representante, o mellor comercial posíbel" e, alén de máis, porque conta "coas benzóns do presidente da Xunta". Pachi Lucas sería, segundo a investigación, o conseguidor da trama. A xuíza teno agora baixo o foco e, de feito, na súa última providencia instou a unidade de delincuencia económica e fiscal da policía (Udef) a que a informase sobre que empresas ten ao seu nome. Gerardo Crespo aínda está pendente de prestar declaración perante a xuíz. Cando foi chamado por esta, acolleuse ao seu dereito a non declarar. Dixo que non o faría até que a Axencia Tributaria completase o seu informe e el soubese o monto total da fraude que se lle imputa. |
QUEPASA_181 | O Museo de Man recuperou a historia do Prestige. | "na amnesia dos vivos perdura o sal de labios tolleitos ollares de esguello e roupas de gato naquel sitio alcumadolugar" (tirado de "Rostro", de Serxio Iglesias) Se a Historia a escreben os vencedores, contar outras historias é un acto ético e político que pasa pola invitación a fala e pola escoita das outras voces, silenciadas, condenadas a unha amnesia forzada por non atopar un lugar para o dicir. Sen arquivo non hai historia; e o arquivo é sempre froito dunha decisión que se ergue como soberana. Poderíamos dar lugar a outros arquivos, logo a outras historias, nas marxes desa imposición violenta que é o relato dos que coidaron vencer? Haberían de ser arquivos vivos e arquivos que afirmen a vida e o seu coidado, precisamente aquilo que uníu -más alá de todas as diferenzas, diferendos e conflitos- á xente que se confrontou a marea negra tras o afundimento do Prestige. Inventar eses arquivos cara ao futuro é o que fixeron entre todas as asistentes a "1ª asemblea da memoria", ao coidado de María Bella, o pasado 26 de Agosto no Museo Man de Camelle. A asemblea abría a exposición Un "Nunca Máis" contado polas fillas de Manfred e forma parte do proxecto "Unha Gran Burla Negra: creatividade popular e memoria do Prestige 2002-2019". Coa ficción curatorial das "fillas de Manfred", María Bella fía un relato que establece outras filiacións e herdanzas que permiten conectar ese máis que exemplo de empoderamento colectivo que foi a resposta da xente na Costa fronte ao Prestige con outros territorios, tempos e arranxos que teñen en común a garda do territorio e o coidado da vida. Á fin desa filiación inventada era -segundo conta María Bella- imaxinar futuros en común para a Costa da Morte e dende ela. A exposición recolle diversos materiais de arquivo, como fotografías ou cartaces, que forman parte do arquivo do Prestige e que foron cedidos polas protagonistas desta historia, enriquecendo co seu xesto a nosa memoria colectiva. Na Grecia clásica, segundo algúns relatos, a asemblea era o lugar onde se daba a ver e se facía ser, onde a palabra como acción tiña o seu lugar abrindo futuros e re-unindo a colectividade. A asemblea era o "lugar da política" e a "política como lugar". De aí a importancia de que na 1ª asemblea da memoria se cuestionara e expresara un malestar cara a iso que denominamos "política". Ante a pregunta de que cambiou tras o Prestige ou dos efectos no noso presente da potencia despregada nas mobilizacións, as respostas, diversas e enunciadas dende una pluralidade de lugares, non foron auto-compracentes, nin conciliadoras. O malestar ante a "política dos que mandan" pasou dende buscar outros nomes para o que se está a facer a afirmar outra política, a da xente, porque "as que estabamos a facer política éramos nós". Sen deixarse levar polo entusiasmo do momento, pero sen esquecer a forza da soliderariedade e dende o agradecemento, subliñouse que queda moito por facer para poder ter esperanza cara ao futuro, un futuro que non será posíbel sen a educación e a responsabilidade de cada un e cada unha de nós. A imaxe dos vagalumes, unha das imaxes recollidas na exposición pola curadora María Bella, deu figura a esa arela. Da asemblea clásica gardouse en Camelle a importancia da palabra para coidar futuros e a esixencia da polifonía fronte a voz en off do relato hexemónico. Calquera historia é singular e plural, non hai historia única que poida presentarse como "dicir verdadeiro". Pero, sobre todo, o máis subliñábel foi o desexo de escoitar. A escoita é o que dá lugar á posibilidade de dicir o que aínda queda por ser dito. Nese senso é moito o que queda por contar e por contarnos desa memoria viva. Moitas voces arelantes de relatar outras historias capaces de interrumpir o relato dominante: un traballo da memoria cara ao por vir. A exposición "Un Nunca Máis contado polas fillas de Manfred" pode visitarse até o 29 de Setembro. Nestes meses celebrarase a "2ª Asemblea da Memoria" para recordar entre todas a figura de Man. |
NOS_52612 | Un total de 39 espectáculos, 8 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia e 2 coproducións conforman o cartel do FIOT31, que reafirma a súa aposta polas voces singulares e as e os artistas cunha identidade propia e única. | Trinta e nove espectáculos, oito estreas absolutas e nove na Galiza, dúas coproducións co festival... A 31ª edición do FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, promete estar á altura dos recoñecementos de que vén sendo obxecto nos últimos tempos. Baixo o lema VocesFIOT, o festival aposta pola visualización da singularidade e da identidade das compañías que conforman a súa programación. Propostas e voces diferentes que conseguen un festival diverso á busca dun amplo abano de públicos. O FIOT decorrerá desde o 30 de setembro até o 31 de outubro con propostas para todas as audiencias a través das diferentes liñas de programación que conforman o festival: Programa de Sala, OTNI, FIOT en Ruta, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos, Metro Cadrado, FIOTeen e Fiotiño volverán encher de actividade escénica Carballo. A sección de actividades paralelas, nomeada En Paralelo, acollerá dúas exposicións, dúas xornadas profesionais e outras propostas culturais. Ademais, o FIOT lembrará especialmente a Pedro Brandariz cunha homenaxe no ciclo que tantas veces acolleu o seu humor único: a Rúa dos Contos, pola que pasarán este ano Alberte Montes, Marta Doviro, Óscar Terol, Good Sex Maritxu, Marta Iglesias ou Quico Cadaval estarán en Carballo, ademais das voces emerxentes de Pablo Meixe e Adrián do Regenco. A estrea na Galiza de 70 anos: Leo Bassi, servirá de homenaxe tamén ao irreverente e coñecido clown que, precisamente, debutou na Galiza no FIOT. Como prato forte da programación de sala está a celebración do trixésimo aniversario de Mofa e Befa, que estreará no festival Pirolíticos e que será obxecto dunha exposición. Evaristo Calvo: "Os dirixentes da dereita actual son xente pouco culta e pouco comprometida coa cultura galega" Nas táboas do auditorio de Carballo estará a nova creación de Ainé, en coprodución co CDG, Recortes, caneos e outras formas de driblar, dirixida por Tito Asorey, con Xose A. Touriñán e con texto de Nacho Carretero. O espectáculo Amantis, deRebordelos, dirixido por Tamara Canosa, tamén se poderá ver no festival. Outras figuras senlleiras do tteatro estatal pasarán polo FIOT: para estrear na Galiza as súas últimas producións: El Pont Flotant con Eclipse total, Titzina Teatro con Búho, Blanca Portillo e o seu Silencio, creación de Juan Mayorga, ou a última montaxe de Pablo Messiez, La voluntad de creer. Unha das grandes revelacións do teatro arxentino dos últimos tempos, a compañía Sambuseck, presentará Impalpable, unha persoalísima obra de gran sensibilidade. Ademais o FIOT presenta dentro do OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), a sección dedicada a novas tendencias, os espectáculos Pequenas mentiras para contar grandes verdades de Patricia de Lorenzo; Beautiful Stranger, en colaboración con Camiño Escena Norte, de La Caja Flotante; Conferencia espectacular, de David Espinosa; e Freak, da compañía Amor Total. O festival manterase no espazo público co Teatro de Rúa, que este ano se celebrará na Praza do Concello, e co Certame Metro Cadrado, con pezas site-especific do colectivo #chamizobellovila, Sr. Lili, Ánxela Blanco, Mónica Paradela, Assircópatas e Cacharela Teatro. Estratexias teatrais para loitar contra os efectos da Covid na cultura Máis que un festival: un motor das artes escénicas galegas O FIOT quere ser un motor das artes escénicas galegas máis que unha programación de espectáculos. Nese sentido, mantén o apoio á investigación e ao tecido emerxente coa celebración de residencias (Natalia Fernandes), as xornadas profesionais da asociación Escena Galega ou do Colectivo NOGA, e a descentralización da escena expandíndose aos centros sociais de Verdillo e Ardaña e á residencia de maiores de Carballo. |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.