ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_11742 | Decidirano @s militantes nas primarias. Os únicos dirixentes non elixíbeis son aqueles que senten no banco de acusados. | Non hai ningún tipo de limitación estatutaria para os imputados por corrupción se candidataren dentro das eleccións primarias, así que poderían integrar as listaxes do PSdeG-PSOE se dese xeito o decidise a militancia. Nestes termos pronunciouse o secretario xeral da formación socialista galega, José Ramón Gómez Besteiro, no curso dunha entrevista coa SER na Galiza. En realidade, Besteiro non se pronunciou sobre se é conveniente ou non optar por unha persoa imputada nun proceso de primarias. Delegou a decisión na militancia. Dixo que os afiliados "valorarán se iso [candidatar imputados] é "bon ou mao para o partido". "Os militantes poderán valorar entre un imputado ou non e non se van equivocar sobre o que lle interesa ao partido e á cidadanía", dixo. Besteiro enfatiza que apenas leva 6 meses como novo secretario xeral do partido e que, por tanto, as europeas non poden ser vistas como un referendo sobre o seu labor Besteiro aproveitou para atacar a Feijóo sobre esta cuestión, argumentando que o presidente da Xunta "cambia de criterio dependendo de a quen afecta a situación". Eleccións europeas O líder da formación socialista galega tamén foi inquirido a respeito das eleccións ao Parlamento europeu. Tomou distancias [os inquéritos non lle son nada favorábeis] e dixo que "non son un referendo ao novo secretario do PSdeG". É máis: enfatizou que a nova dirección e o novo secretario xeral do partido, isto é, el proprio, apenas levan 6 meses no cargo, polo que considerou que é "cedo" para avaliar o seu traballo. |
NOS_1224 | Hei entrar no meu povo: reivindicarmos Carvalho Calero é o título do libro colectivo sobre a figura homenaxeada no Día das Letras 2020 que esta quinta feira, 3 de outubro, ás oito e medio do serán, na libraría Bahía de Foz. Participarán tres autores do mesmo: o historiador Bernardo Máiz, o filólogo Xosé María Dobarro e mais o coordinador Xosé Manuel Pazo. | O acto, organizado pola asociación cultural A Pomba do Arco, pretende contribuír á reflexión sobre "un dos grandes vultos da cultura galega do século XX, cunha importante bibliografía no campo dos estudos lingüísticos e literarios pero tamén da poesía e a narrativa". A maiores, lembra A Pomba do Arco, Carvalho Calero mantivo "unha importante relación coa nosa vila, onde pasou as vacacións de verán en compañía da súa parella María Ignacia Ramos". Hei entrar no meu povo achégase ás mil caras da vida e obra do autor de Historia da literatura galega contemporánea (1962). Faino, por caso, na achega de Máiz, Carvalho Calero e a política (1926-1990). Ou na de Dobarro, Lingüista por mor dunha causa. Xosé Manuel Pazo estuda "os traballos desenvoltos nas últimas décadas a prol da reivindicación da figura de Carvalho Calero." |
NOS_3273 | Os entes sub-estatais e o goberno belga acaban de alcanzar un acordo sobre a asinatura do CETA, anunciou o primeiro ministro estatal, Charles Michel. | As negociacións para a asinatura do CETA están a ter dous chanzos, o intra-belga e o de Bélxica co resto da UE e Canadá. No primeiro plano, o que apresentaba máis dificuldades, perante o veto de Valonia, acaba de se producir un acordo, segundo anunciou o primeiro ministro Charles Michel. No flanco contrario a asinar o CETA nos seus termos orixinarios militaba Valonia, a rexión de Bruxelas capital e a comunidade francófona de Bélxica. O Executivo estatal mantivo conversas con estes entes sub-estatais e esta quinta feira -xusto o día en que estaba axendada a asinatura do acordo entre a UE e Canadá- fechouse un acordo intra-belga que satisfaría as demandas valonas. "Valonia está extremamente contenta de que as nosas demandas teñan sido entendidas", dixo Paul Magnette, primeiro ministro valón. Os termos do acordo intra-belga serán submetidos agora á consideración da Unión Europea e dos parlamentos de Flandes e Valonia, que se terán de pronunciar esta mesma feira sobre o seu contido. |
NOS_5460 | A Plataforma pola defensa de Corcoesto vén de informar de que o Goberno galego iniciou xa un expediente sancionador a raíz dunha denuncia veciñal. Foron tamén @s veciñ@s @s que obrigaron á empresa canadense a abandonar a nave onde traballaba por carecer de licenza | A Xunta de Galiza iniciou un expediente sancionador contra a empresa Edgewater, adxudicataria da mina a ceo aberto no lugar de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños. Segundo informou a Plataforma pola defensa de Corcoesto, foi este colectivo e varias asociacións veciñais as que interpuxeron unha denuncia contra a mineira canadense por realizar de maneira ilegal sondaxes xeotécnicas e de exploración nas cuadrículas que fan parte do proxecto Julia 2 e Julia 3. Na actualidade atópanse en tramitación e afectan principalmente ao concello de Coristanco. Pois ben, a Plataforma recibiu comunicación do Goberno galego de que a empresa sería expedientada após corroborar os feitos denunciados a través de Augas de Galicia e da consellaría de Medio Ambiente. Di o colectivo contra a mina que a Xunta recoñece agora que Edgewater "realizaba sondaxes fóra da legalidade". Neste senso, a Plataforma lembra que non é a primeira vez que esta empresa incumpre as normas legais. Sinalan que desde o ano 2001 e ata xaneiro de 2013 "exerceu a súa actividade nunha nave agrícola de Corcoesto sen licenza municipal, contaminando as praderías situadas ao seu carón, con residuos derivados do procesado do material extraido nas exploracións realizadas nos montes da parroquia". Foi a raíz dunha denuncia, tamén presentada polos veciñ@s, como a empresa tivo que pechar este centro de traballo. Exixen que a Xunta avalíe os riscos de exposición ao radón Pola súa banda, a plataforma Salvemos Cabana reclama da consellaría de Sanidade que avalíe os riscos de exposición ao radón derivados da mina a ceo aberto que pretende explotar Edgewater. Segundo denunciaron nun comunicado de imprensa, a declaración de impacto ambiental aprobada pola Xunta a finais de 2012 "carece" da sinalada avaliación malia que "Galiza en xeral e esa parte da comarca de Bergantiños en particular está considerada de alto risco". Tomando en conta que o radón é a fonde máis importante de radiación de orixe natural, o colectivo considera "necesario" que Sanidade "investigue o caso e proceda a emitir o preceptivo informe". Subliñaron que a área afectada mostra "altos niveis" de radón, que oscilan entre o 18% e o 21%. |
PRAZA_15219 | O candidato á reelección apenas lle dedica doce liñas do seu discurso ao eido cultural e 'despacha' o sector asegurando que continuará a "potenciar" a internacionalización do audiovisual | "Antes había unha Consellería de Cultura que non daba solucións. Agora todo segue igual". O pasado febreiro representantes do mundo cultural galego expresábanse deste xeito en Praza Pública para valoraren a desaparición da Consellería de Cultura, reducida á categoría de secretaría xeral tras a remodelación do Goberno galego derivada da marcha de altos cargos ao gabinete de Mariano Rajoy. Por primeira vez en varios lustros o sector da cultura deixaba de ter un departamento de seu no Executivo galego e todo semella indicar que o seu peso non será maior no organigrama que dará a coñecer Alberto Núñez Feijóo a vindeira fin de semana. Cando menos, se o seu discurso de investidura é reflexo dos seus plans neste ámbito. Atendendo á normativa vixente o aínda candidato á reelección acudiu á Cámara galega para explicar o seu "programa de goberno". Concretouno nun discurso de corenta e seis páxinas nas que a cultura, no sentido amplo do termo, só ocupou doce liñas e o sector propiamente dito, entendido como área creativa e económica, ficou despachada en dúas. Así, Feijóo explicou o seu proxecto de continuar coa "planificación dos sectores estratéxicos da nosa economía" e, ao chegar á cultura, explicou que "imos potenciar o Plan de Internacionalización do sector audiovisual, que ten dado éxitos nos últimos anos". O candidato 'despacha' o sector cultural limitándose a asegurar que seguirá a "potenciar" o plan de internacionalización do sector audiovisual, "que ten dado éxitos" Malia non ter límite de tempo na súa exposición, esta foi a única mención á creación e difusión de produtos culturais. A continuación introduciu no mesmo apartado a súa intención de "seguir apostando por protexer o noso patrimonio, priorizando un novo Plan de Protección de Cascos Históricos". Mentres, sinalou, manterase a "paralización" do que denomina "outros investimentos culturais" que "deben esperar a unha mellor situación económica". Este, evidencia, é "o caso dos edificios pendentes da Cidade da Cultura", complexo que fagocita boa parte do orzamento cultural do Goberno e que, só en mantemento, leva consigo uns 3 millóns de euros anuais. Para rematar as devanditas doce liñas Feijóo avanza que "tamén respaldaremos a iniciativa do Consello da Cultura Galega" para "dignificar o Panteón de Galicia" a través "dunha lei xurdida do consenso entre os grupos desta Cámara". Semella explicitar así que o seu grupo apoiará a proposta coa que o CCG formulou substituír o actual Panteón de Galegos ilustres por unha entidade pública dependente do Parlamento. E ata aquí as doce liñas. O espazo concedido por Feijóo á cultura na súa segunda investidura é aínda inferior que na primeira. Daquela o popular ligou a cuestión cultural á lingüística e asegurou ante os deputados e deputadas que "a nosa cultura, cerne do ser de Galicia, requirirá para nós unha atención primordial". Así, afirmaba, cumpría "lembrar que a identificación da Galicia intelectural coa Galicia popular, xunto cos dereitos políticos do noso pobo, foron os obxectivos polos que loitaron moitos ilustres galeguistas". Por iso, aseguraba, construiría unha política cultural asentada nos "alicerces" do "diálogo e a liberdade". "Teño claro que o papel da Administración, en materia cultural, debe centrarse no apoio dos proxectos e das propostas, na axilización da máquina burocrática, no fomento e na promoción, nunca no dirixismo cultural", explicaba. |
NOS_43968 | Do mesmo modo que, tal e como explicaba Marc Bloch, para un habitante da Idade Media resultaba imposíbel de concibir un mundo sen Deus, a un europeo do século XXI cústalle crer que noutras partes do mundo as crianzas non teñan nin material escolar, pero así é. Agora, o ex futbolista do Lugo Serge Leuko loita por solucionar esta situación co proxecto 'Aucun enfant sans sac'. | "Vaise dun, canea outro, pasa en curto, parede, remate e... goooollll!". O goleador celebra e recolle con présa a improvisada pelota feita con farrapos para levalo ao centro da lameira convertida en improvisado campo de fútbol e proceder ao saque. Mamá pode chamar en calquera momento e non hai tempo que perder. O protagonista desta escena podería ser o noso Luís Suárez na Coruña da posguerra, pero non. É un rapaz do Camerún da actualidade que, probabelmente, non teña nin idea de quen foi o Balón de Ouro nado en Monte Alto no ano 1935, aínda que comparte o seu mesmo soño de imporse á súa crúa realidade e triunfar no fútbol. Tanto a lóxica como a estatística -os datos apuntan a que só un de cada 2.000 rapaces chegan lonxe no deporte rei- interponse no camiño destes aspirantes a Samuel Eto'o, o mellor xogador camerunés de todos os tempos, que saíu das rúas do humilde barrio de New Bell, en Douala, a cidade máis grande do país, onde os nenos que teñen un balón "son afortunados". As palabras son doutro ilustre fillo de New Bell, Serge Leuko, quen con 14 anos abandonou o seu país da man da Fundación do propio Samuel Eto'o, dándolle a oportunidade de participar en distintos torneos en Europa e chamar a atención do Mallorca. Comezaba así unha aventura ateigada de altibaixos con destino na Galiza, onde durante os últimos cinco anos defendeu as cores do Clube Deportivo Lugo até a súa fichaxe polo Waasland Beveren belga hai apenas un mes. 'Aucun enfant sans sac' Os xogadores de fútbol de elite adoitar recibir acusacións, non sen fundamento en moitos casos, de levar unha vida frívola, dispendiando os seus millonarios soldos en festas, coches caros e todo tipo de luxos, de conformar unha casta completamente desconectada da dura realidade que os rodea. Non obstante, xente como Juan Mata -impulsor do proxecto 'Common Goal', co que pretende que os profesionais do fútbol doen 1% do seu xornal a fins sociais- ou Serge Leuko son un exemplo de exactamente o contrario. O lateral dereito camerunés formaliza publicamente mañá a súa iniciativa 'Aucun enfant sans sac!' (Ningunha crianza sen mochila), que fará entrega a case 200 nenos e nenas do seu New Bell natal dunha mochila con sete cadernos, tres bolígrafos, un lapis e unha goma. "En Europa pode parecer pouco, pero no Camerún hai moitas familias que nin sequera poden inscribir as crianzas nas escolas, porque non son gratis, e resúltalles moi duro afrontar os gastos que implica o material escolar para a volta ao cole", explica Leuko a Nós Diario. O defensa internacional revela que xa levou a cabo esta tarefa en segredo durante os últimos anos, "pero agora é máis necesario que nunca dar un paso adiante e facelo público para que o proxecto sexa máis coñecido e poida chegar a moita máis xente que necesite de nós". Porque, como recoñece, no seu país a xente nin sequera pode permitirse quedar na casa para protexerse da Covid porque "aínda que a enfermidade está aí, todos os días teñen que saír ás seis da mañá para buscar que comer, senón morrerían da fame antes que do virus". Unha iniciativa solidaria para que a rapazada de 0 a 10 anos poida "formarse como persoas" A vida é dura en New Bell. "Eu sempre dou grazas a Deus, porque puiden comer e ir á escola, pero non todo o mundo ten a miña sorte", recoñece Serge Leuko, quen considera que o obxectivo principal da iniciativa 'Aucun enfant sans sac!' é "que as crianzas de 0 a 10 anos poidan formarse como persoas". Para iso solicita todo o apoio posíbel, polo que toda aquela persoa interesada en colaborar co ex xogador do Lugo pode contactar con el a través do seu Instagram (@serge_leuko24). |
NOS_40762 | Aparece Cañete na campaña galega. Será nun acto en Castro de Rei e nun mitin en Ordes. | BNG -13.15 h. Ana Miranda reúnese en Vigo con traballadores de Citröen en Vigo, na rúa de Citröen nº 35; 20 h, mitin en Lugo, con Miranda e Vence, no Instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes. Compromiso por Galicia -Mitin de Paulo Carlos López ás 20.30 en Vigo, no hotel México, vía norte 10; acto político en Ourense ás 20 h. AGE -11 h, Lidia Senra e Yolanda Díaz convocan os meios na Coruña, face o antigo edificio de turismo, na Mariña, para oferecer declaracións sobre corrupción e obra pública; 12 h, Lidia Senra visita en Cambre a compañía Emprego Social S.L.; 20 h, Senra, Beiras e Yolanda Díaz, en mitin en Ferrol, no centro cívico de Caranza. PSdeG-PSOE -12 h, José Blanco participa en Pontevedra, na Praza da Peregrina, nun reparto de propaganda eleitoral; 18.30 h, reúnese en Arteixo con emigrantes retornados, no centro cívico; 20 h, dá un mitin en Betanzos, no edificio Liceo; 21.30 h, participa nun mitin en Silleda, no Hotel Vía Argentum. PP -10.15 h. En Vigo, a ministra de Fomento, Ana Pastor, e o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, manteñen encontro con representantes de Conxemar. Convocatoria sen direito a perguntas; 19.30, Ana Pastor participa nun mitin en Ribadeo, no Restaurante Cabazo; 16.45, o número 1 do PP a Europa Miguel Arias Cañete toma parte nun encontro con representantes do sector agrogadeiro, foresta e pesqueiro. Faino acompañado de Millán Mon. Será en Castro de Rei, no Val do Sonos; 20.30, Cañete e Millán Mon dan un mitin en Ordes, na discote LP45. |
PRAZA_15942 | O vicepresidente da Xunta desliga este movemento dunha posible sucesión de Feijóo | Alfonso Rueda anunciou este sábado a súa candidatura para presidir o PP de Pontevedra e aclarou tamén ante os medios que deixará a secretaría xeral do PPdeG, aínda que se manterá no cargo ata o vindeiro congreso autonómico dos populares. Rueda desliga esta decisión dunha posible sucesión de Feijóo Rueda, segundo aclarou, consultou a súa decisión con Rafael Louzán, a quen presumiblemente substituirá á fronte da formación en Pontevedra, e tamén a pactou co presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo. "Díxenlle que a miña vocación era serlle útil ao partido e serlle útil, tamén, á persoa que confiou en min hai dez anos. Díxenlle que aprendín con el a revitalizar un partido que acababa de pasar á oposición e que aprendín con el devolverlo ao Goberno", insistiu Rueda, que manifestou que segue "á súa disposición". O vicepresidente da Xunta asegurou que non considera este paso unha degradación na súa carreira política. Ademais, e ante o ruxe-ruxe que ve neste movemento unha posible sucesión do actual líder do PP galego asegurou que "o mellor candidato para suceder a Feijóo é Feijóo". O congreso provincial do PP de Pontevedra celebrarase o vindeiro 13 de marzo e buscará substituto a Louzán, a quen gabou Rueda tras "14 anos de triunfos electorais". O aínda secretario xeral do PPdeG dixo ter "aprendido moitísimo" de Feijóo logo de dez anos á fronte da formación conservadora. >> HABERÁ AMPLIACIÓN |
NOS_17646 | O escándalo pola carne de cabalo, empregada na elaboración de diversos pratos ocultando este feito o consumidor, que salfire a diversos países, ten en Francia unha peculiar saída. O goberno galo decidíu repartir eses pratos entre os pobres | O ministro francés de Consumo, Benoît Hamon, informou que os pratos preparados retirados da venda por conter indebidamente carne de cabalo non se desbotarán. Seránentregados a asociaciones caritativas e de beneficiencia para que poidan repartilos. "Agora corresponde as asociacións decidir se aceptan estas donacións",manifestou, engadindo que para conservar e repartir eses pratos fan falla camións frigoríficos e tamén se xeran uns sobrecustos. Nembargantes, apuntou, e en todo caso, deberase informar aos pobres que oque se lles entregaten carne de cabalo. O escándalo pola fraude da carne de cabalo tivo un novo episodio en Francia esta semana, cando unha nova empresa recoñeceu ter empregado esa carne nos seus pratos sen comunicalo. |
PRAZA_12151 | Calcúlase que cada ano os gandeiros taurinos reciben 600 millóns de euros de fondos europeos para o desenvolvemento agrario. En Galicia, as subvencións públicas sosteñen os poucos espectáculos que quedan e por exemplo na Coruña a feira que se celebra en agosto acumula perdas de 600 mil euros nos últimos tres anos, a pesar da achega municipal de case medio millón de euros. | As corridas de touros, ademais dos seus aspectos morais rexeitables, estanse convertendo nos últimos anos nun buraco negro no que as administracións públicas deitan axudas económicas, co obxectivo de soster un espectáculo cada vez máis reprobado pola sociedade. A pesar do decrecente apoio popular e de que o CIS indica que só o 9,8% dos españois acudiu a unha corrida de touros (unha porcentaxe inferior aos que foron ao circo -10,8%- ou a un xardín botánico -13,8%-), os distintos gobernos seguen apoiando as touradas. O ministro de Cultura, José Ignacio Wert, afirmou este martes que "Os touros son un ingrediente da marca España que require protección". En Alemaña o financiamento das corridas de touros españolas con fondos europeos ergueu o malestar entre os seus cidadáns Boa parte da batalla contra as touradas ten que darse no Parlamento Europeo, no intento de que ao redor de 600 millóns de euros destinados a desenvolvemento agrario (inseridos nos fondos FEDER) deixen de desviarse ao financiamento de empresarios taurinos dedicados á cria de touros para a súa morte. En Alemaña o financiamento das corridas de touros españolas con fondos europeos ergueu o malestar entre os seus cidadáns. As denuncias tamén inclúen a Portugal, onde estes fondos FEDER se empregaron en ocasións para financiar reformas e obras en prazas de touros e demais equipamentos relacionados coa tauromaquia. Pola súa banda, a eurodeputada Ana Miranda denuncia "hai países europeos que non queren evolucionar e que amosan a imaxe de sociedades trasnoitadas". Pero, asegura que "hai esperanza, como amosa a prohibición en Catalunya". En canto a Galicia, fai fincapé en que "hai espectáculos taurinos que non deberían ser financiados con fondos públicos". Na Coruña, o Concello gasta 130 mil euros ao ano O caso galego é máis sorpendente, debido á escasa afección por este tipo de espectáculo. Só queda una praza de touros, a de Pontevedra, das once que había na década dos sesenta. Séguense organizando, iso si, festexos puntuais noutras localidades, como A Coruña ou Muíños, por exemplo, e todas teñen en común a elevada porcentaxe de fondos públicos nos seus orzamentos e o seu escaso apoio popular. En Muíños, por exemplo, denunciouse o pasado ano que o Concello aproveitou parte dos cartos dos FEDER para promocionar unha tourada na que participou Julio Benítez 'El Cordobés', tal e como se podía ver no cartaz das festas, no que aparecían os logos do INORDE e do FEDER. Existe un claro desacordo entre a cidadanía coruñesa coa subvención que destina o concello para a realización de corridas de touros, 130 mil euros anuais A feira taurina da Coruña, pola súa banda, tivo unhas perdas acumuladas nos tres últimos anos, de 560 mil euros, que serían de case un millón se non fose pola achega económica do concello, ao redor dos 400 mil euros neste tempo. A asistencia de espectadores ao Coliseo foi moi escasa (o vinte por cento do aforo), unhas 5.400 persoas. E iso a pesar de que o pasado ano se repartiron gratuitamente seis mil entradas, un 119% máis ca en 2010. De feito, segundo unha enquisa realizada por Obradoiro de Socioloxía, existe un claro desacordo entre a cidadanía coruñesa coa subvención que destina o concello para a realización de corridas de touros, 130 mil euros anuais. O 73,2% dos coruñeses declara estar en contra deste gasto público, unha proporción que é case absoluta entre os menores de 30 ano (90% en contra) e entre os que teñen entre 30 e 44 anos (78%). A abolición en Galicia, paso a paso Rubén Pérez, voceiro da plataforma Galicia Mellor sen Touradas, salienta que "acadamos pequenas vitorias, coma o tema da prohibición da entrada dos menores de 14 anos ás corridas, que está a piques de aprobarse no Parlamento, mesmo co apoio do PP". Salienta igualmente o movemento popular que se está dando na Coruña "onde cada vez máis xente está convencida de que se teñen que retirar as axudas". Pérez é optimista e sitúa a clave da solución na retirada das axudas: "estamos en Galicia, onde sen subvencións públicas, non hai touradas, porque non hai hábito nin afección". "Estamos en Galicia, onde sen subvencións públicas, non hai touradas, porque non hai hábito nin afección" En canto aos seguintes pasos a dar, Pérez é prudentes: "despois da abolición en Catalunya, intentouse levar adiante a ILP en Madrid, Andalucía, Euskadi, sen éxito. Imos ir paso a paso; podemos comezar con recollidas de sinaturas máis simbólicas, por exemplo as que levamos a cabo para a retirada das axudas na Coruña, que levamos máis de dez mil e esperamos chegar a 15 mil. Pero somos conscientes de que se o levamos agora ao Parlamento, non sairía adiante". Rubén Pérez e Ana Miranda participaron a semana pasada na Coruña nunha conferencia sobre as touradas promovida pola plataforma Galicia Mellor sen Torudas e a asociación animalista Libera na que tamén participaron Leonardo Anselmi, ex portavoz da plataforma Prou! que logrou a prohibición das corridas de touros en Cataluña, e Rui Silva, da plataforma portuguesa Basta de Touradas. Silva dixo que o sufrimento infrinxido ao animal en Portugal "é igual ou mesmo superior, ao prolongarse ás veces durante tres ou catro días" e salientou que o apoio ao abolicionismo está a crecer alén do Miño. Anselmi afirmou, pola súa banda, que en Galicia "hai que comezar polas activación do movemento; o consenso social xa está conseguido e só falta convencer aos partidos políticos, e iso faise co activismo social". |
NOS_55979 | A Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH) de Vigo-Tui e Baixo Miño convoca unha concentración diante do Concello de Vigo para solicitarlle "responsabilidades" ao Goberno municipal e unha solución a unha familia nunha situación de emerxencia habitacional. | A PAH de Vigo entregará un escrito esta cuarta feira no Concello de Vigo para tratar de que o Goberno municipal poña en marcha os mecanismos necesarios que lle permitan a unha familia en situación de emerxencia habitacional o pago das necesidades máis básicas, como a electricidade. A plataforma de persoas afectadas polas hipotecas empraza así o Goberno municipal a poñerse en contacto coa Xunta, coas entidades bancarias e coa SAREB para que, con celeridade, se lle consiga un fogar a esta familia. O colectivo advirte dos "centos de casas baleiras" que hai a día de hoxe en Vigo. A familia afectada ve vulnerado o seu dereito a unha vivenda digna e afronta situacións de gravidade extrema, denuncia a plataforma, que advirte dun desafiuzamento "inminente" por non poder facerlle fronte ao aluguer. |
PRAZA_4921 | Xoán Hermida, coordinador nacional de Espazo Ecosocialista, fai balance da asemblea nacional da súa formación, na que apostou pola unión da esquerda e do proxecto de Alternativa. | Espazo Ecosocialista celebrou a pasada semana a súa II asemblea nacional, no segundo aniversario do seu nacemento, apostando de novo pola unión da esquerda e polo proxecto de AGE, no que está integrado. Nun cónclave no que participaron 93 persoas, os ecosocialistas referendaron a súa posta por Alternativa e elixiron por unanimidade un Consello Aberto Nacional paritario composto por 17 mulleres e 17 homes e na que tamén se elixiu a Modesta Regueira e Xoán Hermida como coordinadora e coordinador nacional. "Espazo Ecosocialista colle agora madurez como proxecto político", di Xoán Hermida Precisamente, Hermida fai balance da asemblea en Praza e cre que Espazo Ecosocialista "colle agora unha madurez como proxecto político", ademais da súa base de ideas. "Imos tendo unha dimensión do que queremos ser: un proxecto de esquerda renovadora galega con incidencia política e social", asegura o coordinador nacional dunha formación que contou co apoio de aliados como ICV ou a Chunta, pero tamén coa presenza de representantes da FPG ou de Esquerda Unida. Ademais, Hermida aclara que a asemblea pódese cualificar de "extraordinaria" por levarse a cabo "nun contexto de transición política, de final dun modelo saído da transición e deconstruínte por parte da forza que gobernan" e que "require da unidade da esquerda". "Correspóndenos abordar un proceso constituínte e precisamos estar unidos e apostar pola novidade e a renovación". "A decisión de Anova é positiva; AGE debe ser estratéxica e non conxuntural para unhas eleccións determinadas" O cónclave dos ecosocialistas coincidiu co referendo da militancia de Anova, que decidiu concorrer ás vindeiras eleccións europeas xunto a EU e repetir así a experiencia de AGE. "Cremos que é positivo porque temos claro que AGE debe ser estratéxica e non conxuntural para unhas eleccións determinadas; Alternativa supera a vontade dos partidos que o conformamos porque hai milleiros de persoas que nos votaron e que precisan canles de participación para formar parte do instrumento", asegura Hermida, que cre que a decisión da formación e Beiras debe servir tamén "para superar os erros e os elementos que impediron que o proxecto fose organizado e estruturado". "O domingo renaceu AGE e agora hai que ver se renace a vontade de superar os erros" "O domingo renaceu AGE e agora hai que ver se renace a vontade de superar os erros", insiste Hermida, que lembra que "a crise da esquerda non se resolve nun ano" e que recorda tamén que Anova e Espazo entraron a formar parte de Alternativa "cando aínda se acababan de constituír". "A irrupción de AGE tivo que ver coa ilusión, pero todo o que pasou despois tivo que ver con esa urxencia e con esa necesidade de ir madurando", explica. Ademais, considera fundamentais as vindeiras eleccións europeas e municipais como parte deste proceso constituínte. Xoán Hermida vai aínda máis aló e cre que unha futura unión da esquerda, incluíndo o BNG, será posible. "Non sei se a curto ou medio prazo, pero non queda outra porque é unha demanda cada vez máis asentada entre a cidadanía". "Temos que ser capaces de afrontalo porque máis aló dunha unidade da esquerda, debe ser unha unidade democrática ante a destrución de dereitos básicos que estamos a sufrir", engade, tras aclarar que "a rapidez ou lentitude" desta futura colaboración "dependerá da mobilización e presión que exerza a xente". "Nós temolo claro, pero outros precisan superar os vellos paradigmas, tanto entre un sector do nacionalismo como nun sector da esquerda estatalista", remata Hermida, que cre que "non ten sentido falar de nacionalismo contra estataismo", senón que hai que "vertebrar unha esquerda nacional, baseada no dereito a decidir, pero dunha grande amplitude". "Hai que superar o que xa está superado na sociedade", finaliza. |
NOS_39999 | O gasóleo especial agrícola incrementou o seu prezo un 88,66% desde febreiro de 2021. | O complexo gandeiro galego enfronta unha tormenta perfecta. Mentres a cooperativa Xallas vese obrigada a parar a fabricación de penso por falla de subministros, as organizacións agrarias demandan medidas urxentes ás Administracións para frear a suba dos prezos. Os custos de produción afogan as granxas. O sector agrario galego vive unha situación excepcional. Malia que a Galiza pasou de contar con arredor de 70.000 granxas de leite á volta de 1995 a 6.443 explotacións na actualidade, practicamente 91% menos, os últimos datos ofrecidos polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sinalan que a súa produción láctea representa máis de 41% do total do Estado español. O desabastecemento xa é unha realidade: empresas agrícolas paralizan a produción pola falta de cereais Porén, o que se produce na Galiza é o leite peor pagado do conxunto estatal, cun prezo medio do litro en 2021 de 0,342 céntimos, liderando os prezos Andalucía con 0,373 e Asturias con 0,372 céntimos por litro, precisamente pola existencia dun movemento de base cooperativo con peso no sector da transformación e da comercialización, do que é un exemplo claro a Central Leiteira Asturiana. A suba dos insumos O aumento do custo dos insumos cuestiona a viabilidade de boa parte das explotacións. A este respecto, resulta moi significativo o incremento do prezo dos fertilizantes químicos, en cuxa produción se empregan grandes cantidades de gas natural para a fabricación de amoníaco. Neste sentido, destaca a suba da urea, cun aumento anual de 219,40%; do cloruro de potasio, cun aumento anual de 9,10%; e do fosfato, cun incremento nos últimos 12 meses de 103,70%. Oscar Pose, voceiro de Unións Agrarias, sinala a Nós Diario que "Rusia estaría xa instando os produtores de fertilizantes dese país a deter as exportacións, unha medida que podería facer que os prezos mundiais dos fertilizantes se disparen aínda máis". O incremento dos prezos dos diferentes cereais utilizados para a alimentación animal marca rexistros históricos. Así, o millo, que representa a terceira parte dos grans utilizados na fabricación de pensos, cotizou a 305 euros a tonelada no mes de febreiro, 72 euros máis que hai un ano, cunha suba de 30,90% en relación co pasado exercicio. O responsábel do vacún da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, afirma a Nós Diario que "40% do millo que chega á Galiza provén de Ucraína", porén indica que "o problema vén de lonxe e amosa as consecuencias da dependencia exterior para alimentar o noso gando". "Encarécese o millo e quedas colgado. Se as explotacións galegas contasen con máis base territorial producindo forraxe para o gando, situacións como as actuais afectarían moito menos", conclúe. Combustíbel e luz A situación repítese cos gastos de combustíbel e de electricidade. O gasóleo especial agrícola subiu desde febreiro de 2021 un 88,66%, correspondéndose 41,33% dese incremento aos meses de xaneiro e febreiro de 2022. A electricidade medrou no último ano 86,6%, destacando o seu impacto nas explotacións intensivas de vacún e nas granxas de cría de polos, coellos ou porcos. A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, defende, en declaracións a Nós Diario, que " a situación actual evidencia a necesidade de camiñar cara á soberanía alimentaria" e responsabiliza da suba dos prezos a especulación "xa que o prezo do cereal fíxase en bolsa e ao final depende do mercado de futuros". As organizacións sindicais agrarias reclaman das Administracións medidas urxentes. Neste sentido, Pose alerta do "fechamento de explotacións" e demanda alternativas para "o encarecemento dos custos de produción". Somoza considera "a situación insostíbel" e adianta unha mobilización do seu sindicato "contra a suba dos custos de produción" para o 18 de marzo en Lugo. Por último, Vilalba denuncia que "o Goberno galego está desaparecido e o presidente da Xunta de campaña mentres soben os prezos". |
NOS_12661 | O presidente galego asegura que só se celebrarán os comicios se hai "garantías" para todas as galegas o 5 de abril. | O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, advertiu esta quinta feira que, en plena crise sanitaria polo coronavirus, considera "secundarias" as eleccións galegas convocadas para o 5 de abril, unha data na que, baixo o seu punto de vista, "só deben celebrarse" estes comicios "se hai garantías" nunha dobre vía: que as galegas exerzan o seu dereito a sufraxio e o operativo electoral. Así, tras admitir que falou co lehendakari, Iñigo Urkullu, Feixoo explicou que o seu Goberno, do mesmo xeito que o vasco, estuda os mecanismos legais que habería que activar "no caso de que se chegue á conclusión de que o máis recomendábel" é suspender os comicios. "As eleccións na Galiza son absolutamente secundarias, o único que nos importa é a saúde pública, por iso recomendamos aos partidos suspender os actos de precampaña e así o vai a facer o PP. (...) As eleccións só se poden celebrar o 5 de abril se temos garantías de que todas as galegas poden votar con absoluta garantía e todos os membros das mesas (electorais) poden estar alí 12 horas", dixo o candidato á reelección. Ao tempo, após admitir que pediu informes á Asesoría Xurídica da Xunta e tamén de expertos sanitarios sobre o impacto que tería celebrar os comicios, anticipou: "se non hai garantías para celebrar as eleccións, como responsábeis de saúde pública, dirémolo". A continuación, incidiu en que a decisión última correspondería ao Goberno estatal. Non en balde, admitiu que "non hai previsión legal" que permita aprazar os comicios e tería que facerse unha interpretación "constitucional" da lei. Preguntado acerca de se requiriría cambios na Constitución, respondeu que, baixo o seu punto de vista, non é preciso que o suposto de aprazar os comicios estea na Carta Magna, aínda que matizou que quizais si sería "bo" que se contemplase na Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg). En todo caso, deu por feito que calquera impedimento legal vai poder sortear porque "o dereito é sentido común e a lei ten que aplicarse á realidade na que se vai a aplicar". "E no ámbito da saúde pública estamos a protexer o ben máis prezado, que é a saúde das persoas", esgrimiu, convencido de que, chegado o momento, os xuristas e expertos consultados evacuarán o informe que avale as decisións correspondentes. Así as cousas, Feixoo concluíu que, "se se pode votar", se manterá a convocatoria do 5 de abril, e, se isto non é así, tocará "buscar unha fórmula" para "pospoñer as eleccións até que haxa garantías para votar". "Onte así o valorabamos nunha charla coloquial con todos os grupos", sostivo. |
NOS_53707 | Noia, Cee, Sarria e Fene acollerán no que resta de semana e na seguinte presentacións do proxecto para a saída de Sermos O Diario Galego. Unha xeira de actos enmarcados na conta atrás para lograr as 3.000 subscricións que fagan posíbel a iniciativa. | Após percorrer medio cento de vilas até o 25 de xullo, as presentacións do proxecto para a saída de Sermos O Diario Galego retómanse na última quincena de novembro, onde visitaremos vilas como Noia, Cee, Sarria, Fene, Pontevedra, Ordes ou Boiro. A primeira das paradas terá lugar en Noia esta sexta feira, día 16, ás 20.30 horas no RockCafe Bar (Calzada, 12). No acto, convocado pola Mesa pola Normalización Lingüística, tomarán a palabra o poeta e profesor Ramón Blanco, o historiador e profesor da UDC Uxío-Breogán Diéguez Cequiel e mais o xerente de Sermos Galiza, S.A., Roberto Vilameá, que dará conta das características do proxecto. O día seguinte, Sermos O Diario Galego visita Cee. A Casa da Cultura acollerá a partir das 20 horas a presentación, en que participarán a colaboradora de prensa Dulce Canosa, o poeta Suso Bahamonde e o presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza, S.A. Xoán Costa. Convoca A Mesa. O xoves 22: Fene e Sarria A seguinte semana están confirmados os actos de Fene e Sarria, ambos os dous a quinta feira día 22. En Fene a presentación desenvolverase no local da asociación veciñal de Perlío ás 19.30 horas. Tomarán a palabra Elia Rico, presidenta da Sociedade Cultural Medulio, que convoca o acto; Francisco Rodríguez Sánchez, historiador e crítico literario, e Nicolasa Castro, integrante do Consello de Aministración de Sermos Galiza, S.A. Estas últimas presentacións enmárcanse na conta atrás na consecución das 3.000 subscricións que fagan realidade o diario en 2019 Convocado pola Fruga, a presentación en Sarria terá lugar na Sociedade Recreativa Unión (Rúa Matías López, 19), ás 20 horas e contará coas intervencións de Elías Somoza, coordinador da Fruga en Lugo; María Casar, presidenta da A.C. Ergueitos, e mais Manuel Da Cal, membro do Consello de Administración de Sermos Galiza. Ordes e Pontevedra (27 de outubro, ás 20.30 horas, na Casa da Luz) serán outros dos puntos do mapa en que recalará o proxecto para a saída de Sermos O Diario Galego. Estas últimas presentacións enmárcanse na conta atrás na consecución das 3.000 subscricións que fagan realidade o diario en 2019. Contamos contigo para te sumar e animar as túas amizades! |
NOS_22592 | O persoal do Centro de Investigación Agraria de Mabegondo denuncia que a Xunta gasta dez millóns no "espello" do rural en Quián ao tempo que desmantela un proxecto público "punteiro". A pasada terza feira reuníronse con todos os grupos da oposición para trasladarlles a súa situación. | A finais da década dos 70 naceu o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), un espazo dedicado á investigación pública desde o agro galego e para o agro galego. O seu xérmolo é case un século anterior e estaba localizado na parroquia de Monelos, na Coruña. Onde hoxe hai asfalto funcionou unha granxa agrícola experimental, desde 1888 e até 1964, dedicada á mellora e tecnificación do campo galego. A Monelos débelle Galiza a raza rubia galega ou o cultivo autóctono de lúpulo empregado na fabricación da primeira cervexa local. As instalacións de Monelos abarcaban arredor de 16 hectáreas; as de Mabegondo 350. Co crecemento da Coruña a granxa agrícola experimental foi trasladada e, case setenta anos despois, investigadoras do CIAM denuncian que a Xunta está a desmantelar a súa herdeira. A día de hoxe a metade dos postos de investigación están sen cubrir. A preocupación do persoal pola falta de investimentos virou indignación cando a Xunta anunciou a construción do 'Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galiza no pazo de Quián', en Sergude. O seu orzamento ascende a dez millóns de euros. Paralelamente, "as necesidades dos centros públicos de investigación agraria da consellería están desatendidas", denuncian desde. Con ese mesmo orzamento poderíase sufragar a carreira profesional de 12 investigadoras especializadas. O persoal do CIAM debulla unha década de "insuficiente dotación de fondos económicos, incapacidade na xestión dos recursos conseguidos en convocatorias públicas de investigación ou de impagos a provedores de bens e servizos". En Quián a Xunta quere construír un 'espello' do rural, mais o seu reflexo chega desde Mabegondo inzado de gretas. A primeira xeración do CIAM Teresa Moreno pertence á segunda xeración de investigadoras do CIAM. Por teléfono describe a Sermos Galiza a súa historia: "O centro foi unha iniciativa do Banco Mundial. Nos 70 escolleuse un grupo de persoas, que se formaran nas facultades de Enxeñería Agrónoma ou de Veterinaria en Madrid, e concedéuselles unha bolsa para estudar en centros internacionais de referencia en investigación de produción animal e vexetal". Tras rematar as súas teses regresaron cos coñecementos na mochila, chea tamén de proxectos. Moreno elaborou a súa propia ao seu carón: "Son froito do seu labor". Xose Luís 'Mini' Rivas, deputado do BNG, valora as achegas daquela xeración. "Investigaban desde o público. Todo ese coñecemento revertía despois no campo galego a través dos centros comarcais agrarios, por exemplo", conta. Labregas e labregos aplicaron novas técnicas para combater as pragas ou de ensilado. Moreno incide en que os seus intereses do CIAM "non responden aos das grandes multinacionais". As investigacións do CIAM non responden aos intereses das grandes multinacionais, di Moreno As liñas de investigación do centro compiten para recibir axudas. "Deste xeito captamos fondos. Para formar equipos é preciso persoal altamente cualificado, que desenvolven os proxectos colaborando con empresas do agro e da gandaría. Somos un centro pioneiro, é un luxo contar con tantas hectáreas de terreo e cabezas de gando. Temos destacado co recoñemento estatal e internacional", explica Moreno. O abono destas pescudas atópase nos coñecementos acumulados no centro nas últimas catro décadas. Temporeiras na investigación Moreno lamenta que o contexto laboral das investigadoras da segunda e posteriores xeracións reflicte "a filosofía de investigación da Administración". As pioneiras do CIAM eran funcionarias públicas. Ela, pola súa banda, chegou no 2000 da man dunha bolsa predoutural e, tras rematar a súa tese, accedeu a outra para un contrato pos doutoral. "Tras a presentación da tese debiamos pasar por unha avaliación, de ser positiva significaba que o oposto consolidábase. Mais en 2012, co argumento da crise, a Xunta deunos a noraboa e pechounos a porta". Moreno pasou tres anos traballando en Ourense, despois accedeu a unha nova axuda do Ministerio de cinco anos de duración. O pasaporte de volta a Mabegondo. A investigadora acusa a temporalidade e mobilidade das investigadoras que, tras desenvolver distintas labores no CIAM, marchan. "Hai liñas de investigación que foron pechando, unha vez que acontece é moi difícil reabrilas". Hai liñas de investigación que foron pechando, unha vez que acontece é moi difícil reabrilas, di Moreno A súa denuncia cobra máis relevancia no marco máis amplo: entre 2010 e 2014 o Galiza perdeu 1.404 investigadoras. En 2018 o gasto en I+D representou na Galiza 0,94% do Produto Interior Bruto, lonxe da media de 1,24% do Estado español. A falta de investimentos non só repercute nas investigadoras. "Tamén nos técnicos que traballan nos laboratorios, nos capataces ou peóns que traballan co gando. É como un dominó, todas as pezas seguen a caída da primeira", describe Moreno. A custodia das sementes galegas Cando a Consellaría de Medio Rural anunciou que o pazo de Quián transformaríase no novo 'espello' do rural galego engadiu que acollería o Banco de Xermoplasma de conservación de especies autóctonas do Centro de Investigación Agraria de Mabegondo. A decisión foi criticada polo persoal do centro. "Isto pon en serio risco a conservación do mesmo, impedindo calquera actuación de mellora, posta en valor e utilización deste material xenético autóctono para enfrontar os novos desafíos dos cultivos á pragas e enfermidades, así como á procura de resistencia aos cambios ambientais que conleva o cambio climático", denuncian. "O banco de xermoplasma garda sementes procedentes de distintos tipos de cultivo de millo, de froiteiras, de pratenses ou de hortícolas", explica a investigadora do CIAM Teresa Moreno. "Isto non significa que as sementes estean gardadas en botes nunha cámara frigorífica. Cada certo tempo as sementes teñen que plantarse para que conserven o seu poder xerminador. Ademais, son empregadas nas investigacións do centro, no que se traballa co cruce de distintos tipos de cultivo", engade. Para a investigadora o traslado do banco de sementes, a súa inserción nun "escaparate" turístico do rural, implica o incumprimento do convenio de diversidade biolóxica que a Administración galega ou a estatal asinaron en 1992". "Inutilízase deste xeito o patrimonio natural da Galiza", incide. Moreno explica que o traslado do banco de sementes supuxo "a gota que colmou o vaso" para o persoal. Contra o 'Gaiás' do rural Os deputados Óscar Vilar, do PSdeG, Xosé Luís Rivas do BNG e Davide Rodríguez, do Grupo Mixto, visitaron as instalacións de Mabengodo a pasada semana para escoitar ao seu persoal. Esta terza feira as investigadoras levaron as súas reclamacións ao Parlamento, no que se reuniron con todos os grupos da oposición. "Queremos denunciar a falta de interese da Xunta e o desmantelamento da investigación pública", explica o deputado do Grupo Mixto Davide Rodríguez a Sermos Galiza. "Non paro de ler como se abren novos centros ou se refan outros, pero sen o persoal que empregue a tecnoloxía que se compra esta non serve de nada", denuncia Moreno. O persoal do CIAM compara o espello que quere construír a consellaría de Medio Rural en Quián cun "Gaiás" rural: un contedor baleiro de contido. |
PRAZA_11425 | Estes impresentaveis de ADIF e de RENFE tiveram-nos desde as 10:20 da noite até as 2:45 da madrugada " entretidas" entre as vias do caminho de ferro, sem nenhum aviso oficial. | Dia 10 de Novembro. Noite de eleições. O Trem Corunha- Lugo tem a hora de saída ás 12,20 da noite. É o comboio que vêm de Ferrol para Madrid. Os paneis da estação só indicam atraso depois das 10,20. Nenhum aviso para indicar quanto seria o atraso. Só depois dum tempo a espera ao pé do cais nº2A é que uma funcionária veio dizer que a máquina que tinha que sair de Ferrol estragara. Com cara de parvas soubemos que traz UMA, UNHA hora atrasado, pelo menos. A funcionaria diz que fazia aquele aviso de própria iniciativa, porque sentia lástima de nós ( sic). Ás 11 da noite tudo fechou, de maneira que tivemos que sair da cafetaria para o frio da estação nessa noite de novembro. Os empregados,incluída a funcionária "caritativa" foram embora. Antes de eles marchar, tentei de formular uma reclamação. Disseram que a essas horas o livro de reclamações estava fechado ( Ehm! Surpresa pola minha parte). Os livros também fecham, nomeadamente para viajeiras galegas que aguentam com tudo e tudo suportam sem queijas!Ainda nem sabemos a que horas é que vamos sair nem a que hora iremos chegar a Lugo.Isto nom tem nome!! Só significa que somos uma colónia deixada da mão dos poderes públicos. Nom hai onde estar. A cafetaria fechou às 11 horas e nom existe sá de aguarda com assentos. Só fora ao frio da noite de novembro . Como se pode ver nas imagens so há cadeiras na sala de fora. Trataram-nos pior que animais. Como sofredores que sabem que não iremos protestar. Sem direitos . E, no entanto dão os resultados das eleições. Voltam ter maiorias, na Galiza, os mesmos partidos que roubaram e que foram apanhados na corrupção. Os mesmos que estiveram implicados na tragédia de oitenta mortos de Angrois. E eu sento vergonha por este povo, por este país que não reivindica, que não protesta que não reage.Dizia Castelao: "En Galiza non se pide nada , emigra-se".E eu creio que continuamos na mesma.Até onde eu sei foi Ana Miranda Deputada do BNG, quem ,no parlamento europeu, conseguiu levar e defender as reivindicações das vitimas de Angrois,com grande esforço mentres os outros grandes partidos tentaram ocultar os feitos .Medito com raiva que Lugo perdeu o trem da vida e Galiza perdeu o trem da dignidade. Se não protestamos nada vai ficar. A cousa pública é abandonada. E aínda querem em Lugo levar a estação dos auto-carros para as aforas. Longe de todo. Que faz ADIF! Nada. Galiza é a grande esquecida. Só lhes interessam a nossa produção elétrica, as nossas minas, os nossos montes, para serem utilizados em conivência da política e as grandes empresas. A palavra IMBECIL significa pessoa sem báculo. Sem apoio, sem convicções firmes. Que se deixa levar polos ventos que soprem dum lado ou do outro. As/os Galegos/as, devêramos ser um pouco menos imbecis. Deveríamos fazer valer os nossos direitos e protestar quando seja de justiça fazer.Para acabar a estória do trem , chagamos a Lugo as 2,45 da madrugada. Ou seja estes impresentaveis de ADIF e de RENFE tiveram-nos desde as 10:20 da noite até as 2:45 da madrugada " entretidas" entre as vias do caminho de ferro, sem nenhum aviso oficial. Só a "caridade" da funcionária que sabia " soto voce" que a máquina estragara e tinham que buscar outra. Se não for trágico ainda dava para rir. Ela não me quis facilitar o livro de reclamaçõesSe já as pessoas da Galiza pagamos mais pola eletricidade que no resto do estado espanhol, se produzimos eletricidade para que em Madrid os comboios de cercanias possam ser subvencionados, e funcionem de maravilha ( alégro-me,mais não as minhas expensas) mentres nós ficamos com as velhas máquinas de gasoil, que poluem e se estragam a cada pouco, não entendo porque somos tão passivos/as, tão sofredoras/es e tão pouco reivindicativas.Há muitos anos dizia-se que RENFE significava: "Robar Es Necesario Franco Enseña".Hoje pergunto-me: E será?.Boa reflexão para analisar o resultado das eleições.Se não temos voz ( VOZ) ninguém nos vai ouvir. E nunca esperemos que venha de fora a solução aos nossos problemas porque isso nunca vai acontecer. Ainda não é Natal, e também sabemos que Os Reis, nem sempre trazem os presentes que precisamos.Lanço um berro forte:Acordai!! E espabilade. Ou estes sem vergonhas come-nos vivos/as. Sem respeito e sem consideração. No 11 de novembro depois de descansar algo do dia e a noite de ontem |
NOS_16604 | Acabou sem acordo a reunião havida esta quinta feira em Madrid entre o ministro do Ambiente português e a súa homóloga espanhola por volta da construção dum armazém de resíduos nucleares em Almaraz, a apenas 100 quilómetros de Lisboa. Destarte, o governo luso mantém a ideia de, a vindoura segunda feira, apresentar uma queixa contra Espanha perante a Comissão Europeia. | Após a reunião com a sua homóloga espanhola Isabel García Tejerina -quem esteve acompanhada pelo ministro de Energia, Álvaro Nadal-, o ministro português do Ambiente, João Matos, disse: "Portugal vai solicitar a intervenção de Bruxelas neste caso. Havendo um diferendo, ele tem de ser resolvido pelas instâncias europeias". Portugal alega que Madrid fez o projeto de construção dum aterro de resíduos nucleares muito perto da fronteira sem o contrastar com Lisboa e sem ter feita a avaliação de impacto ambiental "transfronteiriço" que a legislação comunitária viria exigir. Matos assinalou o perigo de instalar um armazém com potencial tóxico tão perto do Rio Tejo. A central de Almaraz funciona desde 1980 e tem licença até 2020. A construção do aterro poderia indicar a intenção de Madrid de prolongar a vida útil desta planta, temem em Lisboa. Em qualquer caso, o ministro português afirmou a esse respeito: "Aquilo que me foi dito claramente pelo senhor ministro de Energia foi que essa decisão não está tomada e será tomada a seu tempo". Esta reunião estivo a ponto de não se realizar e se teve lugar finalmente foi -dizem desde Portugal- porque esta mesma semana El-Rei de Espanha lhe terá comunicado ao presidente da República lusa, Marcelo Rebelo de Sousa, que Madrid não irá tomar nenhuma decisão unilateral. Enquanto se realizava a cimeira dos ministros, activistas do Movimento Ibérico Antinuclear (MIA) concentraram-se fronte à sede do ministério de Meio Ambiente, em Madrid. Idêntica ação está prevista para esta quinta feira em Lisboa, junto à embaixada de Espanha. Almaraz é uma central explorada por Gas Natural, companhia que estabeleceu um consórcio com Endesa e Iberdrola para construir os armazéns de resíduos nucleares, que ter-se-iam autorizados pelo Estado espanhol. |
NOS_7674 | En 1987 un militante de ETA si puido abandonar a cadea para asistir a unha sesión parlamentar como candidato. Llarena argumenta agora que non ten en conta ese precedente porque, a diferenza de Juan Carlos Yoldi, Jordi Sànchez si podía obter a confianza da cámara e ser eleito presidente. | As institucións xudiciais españolas continúan a bloquear a investidura dos candidatos soberanistas embora o 21D deitar unha maioría independentista. Após o TC ditar unha resolución que inviabilizaba a escolla de Carles Puigdemont como novo chefe do executivo catalán ao impor como requisito a presenza física no hemiciclo, agora o xuíz Llarena completa o ciclo ao negar a Sànchez, preso en Soto del Real desde outubro pasado, o permiso para asistir ao pleno convocado por Roger Torrent a vindeira segunda feira 12 de marzo. En 1987 os xuíces consideraron que non podían violar o direito de participación política de Juan Carlos Yoldi, militante de ETA e candidato á lehendakari por HB, e portanto permitiron a súa saída de prisión para tomar parte no debate de investidura. 31 anos despois, o xuíz Llarena nega ese direito a Jordi Sànchez co argumento de que, desta volta, o candidato soberanista si dispón dos apoios para ser eleito presidente. Llarena confirma a prisión de Sànchez porque, afirma, existe risco de reiteración delictiva, unha presunción de índole máis política do que xurídica, ao dar por suposto que un novo goberno soberanista voltaría a transitar pola vía da declaración unilateral de independencia. En 1987 os xuíces consideraron que non podían violar o direito de participación política de Juan Carlos Yoldi, militante de ETA e candidato á lehendakari por HB A peza basilar da argumentación de Llarena é que a recente oferta de JxCat e ERC á CUP para conseguir o apoio á investidura de Sànchez implica a vontade do bloco soberanista de continuar a cuestionar a legalidade vixente. E agora? O bloqueo do TS imposibilita a investidura de Sànchez e obriga as forzas independentistas a repensar a estratexia. Basicamente ten perante si dúas opcións: apresentar unha candidatura blindada aos recursos xudiciais -que é o que lle pide o PP e a Moncloa- ou deixar que apodreza a situación, o que inexorabelmente conduciría a novas eleccións. |
NOS_2685 | A deputada Rosana Pérez preguntará a Interior polos motivos que levan a que a policía española proceda "cada vez con máis agresividade". | A carga da Policía española contra seareir@s deportivistas en Ponferrada chega ao Congreso dos Deputados. Faino a través dunha pregunta que presenta a deputada nacionalista Rosana Pérez dirixida ao Ministerio de Interior. Así, o BNG pregúntalle ao Ministerio do Interior "como xustifica que a policía actuara con tal agresividade cando non se produciron incidentes ningúns nin durante o partido, onde ambas as afeccións mantiveron un comportamento exemplar, como ao remate". "Como explica o Ministerio do Interior o incremento da agresividade da policía nos eventos deportivos, en manifestacións ou concentracións?" Ademais, Rosana Pérez pregúntalle ao Ministerio do Interior "se vai abrir algunha investigación sobre unha actitude policial fóra de lugar e sen ningún tipo de contemplación contra os afeccionados e se vai dar instrucións para acabar con esta agresividade desproporcionada e con estas cargas". Tamén se interesa a deputada por saber como explica o Ministerio do Interior o incremento da agresividade da policía nos eventos deportivos, en manifestacións ou concentracións. |
NOS_58113 | O Tribunal Supremo do Brasil recoñece que os xuízos dirixidos por Sergio Moro contra Lula da Silva foron parciais, o que acaba por revogar a inhabilitación sobre o ex presidente, que xa encabeza as sondaxes para derrotar Bolsonaro nas eleccións de 2022, 11 anos despois de abandonar a presidencia do Brasil. | A volta á área política do Brasil de Luiz Inácio da Silva, Lula, está causando un terremoto político que murcha as opcións de Jair Bolsonaro de recuncar na presidencia do Estado americano. A anulación das sentenzas contra Lula polo caso Lava Jato sumada á decisión do Tribunal Supremo brasileiro de ratificar, o pasado 23 de abril, que o xuíz Sergio Moro actuou con parcialidade no xuízo contra Lula, confirma que a inhabilitación do ex presidente formou parte dunha campaña executada por Moro para sacar a Lula do taboleiro electoral. Unha xogada que levou o mesmo Moro a asumir a dirección do Ministerio de Xustiza no Goberno de Bolsonaro. Tamén o Tribunal Supremo formou parte desa campaña. Hai catro anos, mentres Lula era xulgado, modificou o seu criterio para que unha persoa condenada en segunda instancia puidese entrar na prisión. Lula saíu da cadea o 8 de novembro de 2019, despois de pasar 580 días privado de liberdade polas sentenzas agora revogadas, ao volver o Tribunal Supremo a súa doutrina orixinal: que a entrada na cadea só podía darse cando houbese unha sentenza firme. Maila estar fóra de prisión, aínda pesaba contra Lula a inhabilitación derivada deses procesos xudiciais dirixidos por Moro. O 8 de marzo, Edson Fachin, maxistrado do Supremo, anulou as penas de 25 anos de cárcere contra Lula ao considerar que os dous xuízos nos que se lle condenara -e outros dous que estaban sendo xulgados- foran irregulares e tiñan que desenvolverse en Brasília, a capital federal. Este veredicto, ratificado o 15 de abril polo Tribunal Supremo do Brasil, asume o que a defensa de Lula levaba anos reclamando, que non tiña que ter xulgado na cidade de Curitiba. Sergio Moro, maxistrado na cidade, forzou que o proceso contra Lula se dera nesa xurisdición acusándoo de terse aproveitado da corrupción en Petrobras, unha empresa enerxética pública. O Tribunal Supremo acredita que non tiñan relación. A mediados de 2019, o medio dixital brasileiro The Intercept, revelou conversas de Telegram entre o equipo de fiscais do caso Lava Jato e o xuíz Moro, que amosaban a falta de imparcialidade do xuíz, que instruíu as fiscais para condenar Lula a calquera prezo. A confirmación da parcialidade na actuación de Moro chegou a pasada sexta feira, coa decisión do Tribunal Supremo, que ademais implica que Lula recupera todos os seus dereitos políticos e pode presentarse ás eleccións previstas para 2022. O recurso de Lula sobre a parcialidade de Moro estivo paralizado durante máis de dous anos no Supremo. Eleccións 2022 A expectación desatada pola posíbel candidatura de Lula nas presidencias de 2022 polo Partido dos Traballadores (PT), despois de gobernar o Brasil entre 2003 e 2011, tivo un efecto inmediato nos estudos de opinión. O barómetro de marzo de PoderData pon Lula e o PT catro puntos por diante de Bolsonaro na primeira rolda (34% e 30% respectivamente). Na segunda ronda, Lula superaría o actual presidente por 20 puntos (60% contra 40%). Despois de facerse pública a decisión do Supremo, Lula abriuse a formar parte dunha candidatura "para gañar as eleccións a un fascista chamado Bolsonaro", sinalou o ex presidente. O Brasil superou o domingo as 390.000 vítimas de Covid-19 Despois dos EUA, Brasil é o país co maior número de mortes por Covid-19 do planeta. A pesar diso, Bolsonaro négase a aceptar as restricións e corentenas que algúns territorios tentan impor para controlar a expansión da pandemia, até o punto de que o sábado ameazou con sacar o Exército á rúa se as gobernacións rexionais manteñen as medidas que segundo el xeran "caos" e limitan as liberdades individuais. A xestión da pandemia, con máis de 14 millóns de casos no Estado, está a ser criticada até por integrantes do Goberno de Bolsonaro, que hai un ano destituíu Henrique Mandetta, ministro de Saúde, por defender as restricións. Amais, un estudo da Universidade de Michigan concluíu que Bolsonaro "obstaculizou unha resposta efectiva nas políticas de saúde" a pesar do potencial do Brasil para frear a pandemia. |
PRAZA_2096 | As historiadoras e historiadores participantes no encontro solidarízanse coas persoas refuxiadas e defenden a autodeterminación de Catalunya. | Dous días de relatorios, comunicacións académicas e intercambio de coñecementos entre Galicia, Euskadi e Catalunya que finalizan cunha chamada á solidariedade entre pobos. O pasado día 19 finalizou na Coruña o terceiro encontro Galeusca Historia, un punto de encontro de historiadoras e historiadores que, enmarcado nun curso de verán da UDC sobre exilios e migracións, apostou por "manter o compromiso co fomento e aumento das relacións historiográficas entre os tres países" cun ollo posto no resto do mundo. As persoas participantes no encontro agardan "acentuar nos vindeiros anos e encontros as aproximacións e estudos comparativos" entre "o pasado das tres nacións" e, paralelamente, ven necesario emitir dúas declaracións de "solidariedade". A primeira diríxese aos "pobos que padecen eo terror e se ven obrigados a exilios e expatriacións". Esta realidade, explican, "pasou a primeiro plano nas últimas semanas para o caso da Siria", país sobre o que cómpre tamén "denunciar as causas que motivan estas realidades". O programa incluíu unha dupla homenaxe ás persoas represaliadas polo franquismo As historiadoras e historiadores de Galeusca ollan tamén cara ao proceso soberanista catalán. "Solidarizámonos con todas as nacións sen Estado que procuran o seu recoñecemento e desenvolvemento do seu libre dereito de autodeterminación", din. Nesta liña, "solidarizámonos coa nación catalá", indican. O programa académico do congreso completouse con "dúas sorpresas" da man de "dúas entidades centrais no ámbito cultural e memorialístico da Coruña". Coa colaboración da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e da man de Xurxo Souto os participantes realizaron un percorrido pola cidade centrándose en diversos aspectos da mesma. Asemade, coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica os historaidores homenaxearon por partida dupla as persoas represaliadas polo franquismo. Nesas homenaxes participaron, entre outras, Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, e Elvira Varela, filla de Elvira Bao e Bernardino Varela. |
NOS_56742 | Perdemos máis de 4.100 Has de cultivos e 15.300 de arborado en apenas seis anos. | A perda de superficie agraria é un problema importante no noso país, unha perda que sae cara e vén da man en grande media do abandono, cando non desertización, do rural. O portal Campo Galego informe que Medio Ambiente activou un sistema que permite seguir a evolución dos usos e coberturas do solo, e o visor confirma un incremento do abandono das terras agrarias e forestais. Perdemos superficie cultivada e superficie arborada mentres aumenta a superficie abandonada. Co que iso implica: desde desaproveitamento (mentres Galiza importa alimentos) a facilidades para incendios forestais. Entre 2005 e 2011, informa Campo Galego, perdemos en galiza 4.200 hectáreas de terreos cultivados e perto de 15.400 de arborado. En troca, nese mesmo período aumentou en máis de 34.000 hectáreas a superficie de mato, de terreos antes produtivos e que agora están abandonados. Desaproveitamento Organizacións como Fruga, Sindicato Labrego Galego (SLG) ou Adega teñen denunciado esta perda de superficie agraria útil en máis dunha ocasión. Así, o SLG salienta que apenas o 24% do territorio galego ten uso agrícola, fronte ao 40% de países máis desenvolvidos, como pode ser o caso de Francia. Citan un estudo da Universidade de Compostela para nos lembrar que na Galiza perdéronse desde 1985 unhas 265.000 hectáreas de superficie agraria útil. |
NOS_26918 | O volume 'Arqueoloxía do noroeste peninsular en tempos de Nós' aproveita o centenario da revista homónima impulsada pola Xeración das Irmandades da Fala para debullar as súas achegas ao campo arqueolóxico da Galiza, coas que conseguirían, coa figura de Florentino López Cuevillas á cabeza, sistematizar a disciplina e colocar as bases de estudos posteriores. | O Museo Arqueolóxico de Ourense, dentro das diferentes iniciativas enmarcadas na conmemoración do centenario da revista Nós, impulsada polas Xeración das Irmandades da Fala ou Xeración do 16, publica o volume Arqueoloxía do noroeste peninsular en tempos de Nós, coordinado por Xulio Rodríguez González (director da entidade) e Avelino Rodríguez González. É un libro que nace coa vocación de "revalorizar e analizar polo miúdo" o traballo desta xeración, xuntamente co Seminario de Estudos Galegos, do que os seus membros farían parte, nun campo moi concreto dos múltiplos que abarcaron, entre 1920 (publicación do primeiro número da revista Nós) e 1940. Estas dúas décadas resultaron fundamentais para a sistematización da disciplina desde o Paleolítico á Idade de Bronce e deixaron un campo de coñecemento preparado para estudos posteriores. Cómpre ter en conta que no principio do século XX a arqueoloxía no Estado "experimenta unha serie de cambios" que se materializan na entrada da Prehistoria na universidade, así como "na promulgación dun corpus específico en materia lexislativa sobre escavacións" ou na "dotación de bolsas no estranxeiro", recolle o prólogo. Estas mudanzas fanse notar aquí da man da Xeración das Irmandades e do SEG, creado en 1923, que "conseguiron pór a arqueoloxía ao nivel do que se facía no resto de Europa", asegura Xulio Rodríguez. O libro dá así conta dos métodos empregados e dos avances conseguidos, que permitiron afondar no estudo do pasado "para entender o presente e proxectarnos cara ao futuro". Distintos especialistas repasan as etapas culturais e aspectos concretos da cultura material, para logo ocuparse polo miúdo de análises por territorios. Dentro das primeiras observacións destacan a figura de Florentino López Cuevillas, quen dirixiría a sección de Prehistoria do SEG, e as súas colaboracións con Fermín Bouza Brey -por exemplo, no Castro do Neixón en 1925-. Cuevillas protagonista José María Eguileta céntrase na investigación prehistórica na Galiza e nos avances no campo; mentres Francisco Calo se ocupa da Xeración das Irmandades como iniciadora do coñecemento científico da Cultura Castrexa. Desde as primeiras escavacións en San Cibrao de Las (Punxín e San Amaro), Cuevillas intenta a sistematización do período cultural, en reflexións que culminarían anos máis tarde en La civilización céltica en Galicia. Bieito Pérez Outeriño céntrase nos estudos realizados por Cuevillas sobre a ourivaría prehistórica, que darían lugar en 1951 á publicación de Las joyas castreñas. Sitúa o autor como pioneiro neste campo, colocando a súa persoa no Ourense da época e tratando as súas investigacións, desde "A Edade do Ferro na Galiza" (Nós, 1925) até "Una nueva arrracada posthallstáttica" en 1939, texto no que dá a coñecer esta "peza senlleira" de Vilar de Santos, primeiro artigo publicado após o golpe de Estado, logo dunha etapa de silencio, en castelán. Traza así Outeiriño a evolución e o coñecemento sobre ese aspecto e o valor que ten na Prehistoria, co que Cuevillas se converteu en primeiro sistematizador, e a pesar do tempo transcorrido, aínda son moitas as propostas que seguen vixentes. A súa investigación proporcionaríalle "argumentos científicos para xustificar a idea dun nacionalismo historicista baseado na existencia dunha cultura específica e dunha historia diferenciada", escribe Outeiriño. Francisco Fariña aproxímase, por último, ás achegas de Cuevillas ao mundo romano, sen esquecer que unha das primeiras contribucións á arqueoloxía foi unha nota sobre o xacemento romano de Aquis Querquernis, en Baños de Bande. Encaixe coa etnografía, unha ollada integradora Á arqueolóxica engádese nel a dimensión etnográfica, se cadra eclipsada pola primeira, tal e como expón na súa contribución Xosé C. Sierra. Así, complementa as investigacións máis coñecidas no campo por Vicente Risco, que se centraba máis na "antropoloxía simbólica", pero non tanto na "cultura material" que ocupaba a Cuevillas, explica, matizando que hoxe xa non é tan acusada a distinción entre ambas as dúas. Desde esa concepción de que "en todo futuro hai unha pegada do pasado", a procura deste ronsel céntrase naqueles aspectos nos que este se atopa máis visíbel, na cultura popular que se mantiña especialmente no rural. A indagación nos rastros etnográficos pasa polos estudos de clara vocación etnográfica, mais tamén polos "de carácter arqueolóxico, nos que asoma a vertente etnoantropolóxica que axuda a entender a mirada integradora da cultura" que caracterizaba a Nós e o SEG, sintetiza o prólogo. Sierra destaca esta faceta "en poucos traballos pero moi importantes". Así, asina en colaboración con Xaquín Lorenzo, de quen sería elo de entrada para o traballo co SEG, Calvos de Randín (1930). Outro dos seus principais traballos de campo chegaba en 1935, no seu estudo Parroquia de Velle, no que a Lorenzo se suma Vicente Fernández Hermida. "Un libro cunha densidade enorme", afirma Sierra, no que se recolle unha perspectiva desde a antropoloxía social que ten en conta cuestións de clase, xénero e subordinación cultural. Retrata, por exemplo, o traballo da muller nas casas "dos señoritos de Ourense", igual que os homes son operarios na industria. Toda esta produción podería dar pé, "de non ser polo que veu despois, a traballos metodoloxicamente moi novidosos", pensa Sierra. Relación con Portugal Nos tres capítulos finais analízase a actividade arqueolóxica nas provincias da Coruña (José María Bello), Lugo (Felipe Arias) e Pontevedra (Antonio de la Peña), sen contar a de Ourense que xa foi precisamente debullada nunha exposición do museo (Na procura do pasado. Orixe e desenvolvemento da arqueoloxía en Ourense). Porén, antes contémplase a ampla ligazón co norte de Portugal, como recolle, afirma Rodríguez, a "íntima" relación epistolar do propio Cuevillas, que se presentou recentemente en Cuevillas e os seus contemporáneos. Teresa Soeiro percorre a historia da arqueoloxía desta área e salienta a estreita colaboración entre investigadores, que se manifesta na presenza de estudosos portugueses en institucións galegas e viceversa, e "culmina coa organización en 1935 da Semana Cultural Galega en Portugal", explica Rodríguez. |
NOS_19193 | Nunha rolda de imprensa ateigada de viravoltas para evitar chamar as cousas polo nome, recoñeceu que o seu paso polo Goberno español deixará a taxa de desemprego tres puntos por riba de como a deixou o PSOE. Prorroga até 2015 a subida do IRPF que na campaña electoral prometeu non realizar | Malia evitar chamar as cousas polo nome, turrando dos eufemismos, e malia botar balóns fóra culpando a economía europea dos males que atinxen á xestión do Goberno español, o presidente deste, Mariano Rajoy, si tivo que recoñecer esta sexta feira dúas cuestións: dunha banda, que no que lle queda de lexislatura aínda se van destruír 1,3 millóns de empregos e, da outra, que aquel "recargo temporal de solidariedade", a subida do IRPF con que rachou a súa promesa electoral de non tocar os impostos (o IVE tampouco) e que remataría en 2013 agora prolongarase durante un ano máis. Son os dous puntos que resumen a rolda de imprensa que seguiu o Consello de ministr@s desta sexta feira en que o Executivo español anunciou un plan de estabilidade que vai remitir a Bruxelas coas reformas previstas para os meses que veñen. As proxeccións máis negativas céntranse no eido laboral, onde o propio PP recoñece que non se vai crear emprego neto até dentro de dous anos. O paso de Rajoy pola Moncloa rematará en 2015 coa taxa de desemprego no 25,8%, tres puntos por riba de cando el entrou no goberno. O goberno que lidera Mariano Rajoy anunciou que a suba do IRPF se prorrogará durante un ano porque quere seguir recortando (déficit). Co mesmo obxectivo, mudará tamén o imposto de sociedades, suprimindo as deducións que afectan á base impositiva das grandes corporacións empresariais. Non subirá o tributo que grava os hidrocarburos nin aqueloutro que afecta á hosteleiría. Porén, si que inaugurará "unha novidade impositiva" (máis un eufemismo) na fiscalidade medioambiental e nos depósitos da banca e procederá tamén ao "axuste dalgúns impostos" nos tributos especiais. Con todas estas medidas, o titular de Economía, Cristóbal Montoro, augurou que en 2015 haberá "taxas de crecemento positivo". Máis un eufemismo, desta volta un tanto peculiar, pois medrar en negativo semella pouco probábel. |
PRAZA_20524 | O departamento de Beatriz Mato "reedita" o convenio coa Federación Galega de Caza, ao que achegou 25.000 euros en 2016 esta entidade para a mesma finalidade HEMEROTECA | As licenzas de caza outorgadas pola Xunta a menores pasan de 7 a 98 en dous anos | A idade mínima para participar nunha batida de caza con armas é de 16 anos, segundo a lei vixente. Nos últimos anos a concesión de licenzas a persoas menores de idade que xa superaron ese limiar experimentou en Galicia un gran ascenso: de apenas 7 novas licenzas ao ano en 2014 a case 100 no pasado 2016, segundo datos oficiais da Consellería de Medio Ambiente. Mentres organizacións que promoven esta práctica reclaman rebaixar a idade mínima para cazar e colectivos ambientalistas e parte da oposición parlamentaria piden elevala o departamento que dirixe Beatriz Mato vén de renovar a súa colaboración económica coa Federación Galega de Caza para promovela entre a poboación menor de 30 anos. Nunha xuntanza celebrada o pasado día 13 a titular de Medio Ambiente e mais a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, sentaron á mesma mesa que o presidente desta Federación, Javier Nogueira, para formalizar a "reedición do acordo de cooperación" que, coa forma xurídica de convenio, supón o financiamento público dunha "xornada divulgativa orientada a menores de 30 anos para que coñezan esta actividade como un deporte saudable e sustentable". Trátase, di a Consellería, de "fomentar entre os máis novos os valores medioambientais asociados" á caza, como "o respecto e o coidado do patrimonio natural". As licenzas de caza a menores de idade pasaron de 7 en 2014 a case 100 o pasado ano Atendendo á información divulgada polo Goberno galego, Medio Ambiente comprométese a contribuír á "realización de actividades de divulgación, formación e fomento da actividade cinexética" mediante a devandita "xornada de convivencia" para "mozos de ata 30 anos" que "practiquen a caza ou teñan interse nela" coa fin de "que poidan aproximarse" e considerala como "unha medida para a protección do m edio natural". As actividades, detalla, inclúen "charlas, conferencias e mesmo actividades lúdico-deportivas". O departamento de Beatriz Mato "reedita" os contidos do convenio asinado coa Federación Galega de Caza en 2016, ano no que a Consellería achegou 25.000 euros a esta entidade para a mesma finalidade Alén desta xornada, o vindeiro día 29 en Trazo, o acordo "contempla a reedición do curso sobre prevención dos sinistros" para contribuír a "evitar accidentes" nas batidas de caza -14 persoas morreron nestas circunstancias na última década en Galicia- e "un curso de formación dos responsables de caza". Con esta última actividade o Executivo prevé colaborar na "formación das persoas responsables das sociedades de caza na xestión interna e administrativa" das súas entidades e ofrecerlles "nocións sobre o óptimo aproveitamento dos recursos cinexéticos en base a criterios de sustentabilidade", di a Xunta. Na nota informativa divulgada pola Xunta ao respecto non se fai referencia a cantidade económica ningunha, se ben o feito de que se refira a unha "reedición" do "acordo de cooperación asinado en 2016" permite aproximarse á cantidade. Segundo a información publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado maio -a referencia aos convenios no DOG está obrigada pola lei de transparencia- a achega da Consellería á Federación Galega de Caza ese ano foi de 25.000 euros en virtude dun convenio asinado o 2 de setembro para "o fomento da actividade cinexética sustentable" mediante a "organización de actividades para a promoción e divulgación" da caza. Este acordo aínda non foi incorporado á parte pública do Rexistro de Convenios, polo que non é posible, de momento, coñecer os seus detalles. O ano anterior, 2015, foi a Secretaría Xeral para o Deporte a que colaborou coa Federación Galega de Caza por un importe un chisco superior, 27.569 euros para o seu funcionamento. |
PRAZA_20110 | A instrutora dá por probado que a denunciante desenvolveu labores no PP e na Deputación ourensá, pero non ve "debidamente xustificada a perpetración dos feitos punibles". Basea o arquivo nas declaracións das testemuñas e en que, formalmente, Baltar fillo non tiña cargos en Ourense no momento dos feitos | Fin do caso Baltar, cando menos polo momento. O presidente da Deputación de Ourense, o seu pai e antecesor no cargo e mais o xefe de persoal da institución provincial e alcalde de Monterrei veñen de quedar libres das investigacións -antiga imputación- que pesaban sobre eles polo presunto ofrecemento dun posto de traballo a cambio de sexo a unha muller que tamén deixa de estar investigada. Así o vén de ditaminar a titular do xulgado de instrución número 3 de Ourense, que arquiva o caso ao non considerar os feitos denunciados como suficientemente acreditados como delitos de suborno, acoso e tráfico de influencias. Nun auto ditado o pasado luns a xuíza Eva Armesto, á que os Baltar tentaron afastar da instrución tras non lograren a nulidade de todo o proceso, indica que as gravacións telefónicas achegadas pola denunciante ao procedemento amosan que o tamén líder do PP de Ourense "solicita ou cando menos acepta un favor de natureza sexual" para "realizar, no exercicio do seu cargo, unha acción ou omisión" dos "requisitos legalmente establecidos" para "facer o posible por facilitar a obtención dun traballo" sen "cumprir os requisitos legais". Ao contrario do mantido polos populares tanto en Ourense como dende a súa dirección galega, a instrutora especifica que o feito de que ese posto non se chegase a adxudicar non impide, por si mesmo, que existise ou non delito. No entanto, a xuíza baséase nas testemuñas recabadas no proceso para indicar que "non resulta suficientemente xustificado" que Baltar Blanco "se comunicase de forma algunha" co xefe de persoal ou co asesor xurídico da Deputación para procurar ese posto. Do mesmo xeito, sinala, eses testemuños non permiten tampouco acreditar que José Luis Baltar "dese instrucións" cando aínda era presidente para dar cumprimento á promesa do seu fillo. A xuíza dá por probado que a muller desenvolveu labores no PP e na Deputación, pero non ve "debidamente xustificada a perpetración dos feitos punibles" No que respecta á acusación de manter "relacións sexuais pola promesa de axuda laboral", o presunto delito de acoso sexual, a xuíza considera á luz das testemuñas que "non queda suficientemente xustificada" que existise "un dos elementos" substanciais do tipo penal: a existencia dunha relación de "prestación de servizos". Así, di o auto, fica acreditado que a denunciante "realizou labores de interventora" do PP en 2008, ano que a xuíza sitúa como "moito antes de que o investigado conste que ostentase cargo ningún en Ourense". Igualmente, que "se encargou da organización" dun evento electoral. Ese labor político "realízase voluntaria e gratuitamente" e, agrega, "non traballou na sede do partido". O arquivo baséase nas testemuñas e en que Baltar fillo non tiña formalmente ningún cargo en Ourense cando sucederon os feitos Así as cousas, conclúe a xuíza, non é quen de "xustificar" que existise esa "prestación de servizos", xa que "as testemuñas negan" que a denunciante "realizase actividades retribuídas" para o PP e, aínda que dá por probado que traballou "no Departamento de Enquisas" da Deputación, ese labor foi desenvolvido "ata o ano 2010, como máximo, segundo a testemuña", e nesa data José Manuel Baltar non era presidente -foi deputado no Parlamento e en xaneiro dese ano substituíu o seu pai no liderado do partido- nin consta "que influíse dalgún xeito" no seu proxenitor. Sobre estes argumentos a instrutora di atoparse no suposto de "non resultar debidamente xustificada a perpetración dos feitos punibles", polo que "procede" acordar o arquivo provisional do caso. A resolución da xuíza é susceptible de recurso, unha vía á que o partido Democracia Ourensana, acusación no caso, xa anunciou que acudirá. |
NOS_4161 | En 43 municipios non hai ningunha oficina bancaria e en 81 hai unha soa, o que deixa os clientes sen alternativa de escolla. | Entre 2008 e 2018 en Galiza botaron o feche 936 oficinas bancarias, 37% do total das existentes. Unha política das entidades financeiras que deixa 43 concellos galegos sen ningunha oficina para atender os seus case 54.00 veciños. En 81 municipios hai unha única entidade. Así pois, 40% dos concellos galegos teñen ninguna ou una oficina bancaria, o quesup´n que os e as clientes fican sen alternativa no seu propio municipio para ter outra forma de consumo ou actividade bancaria. Unha exclusión financeira que atinxe por volta de 220.000 persoas, o que equivale 8% da poboación total do país. Son datos que se inclúen no 'Informe de exclusión financeira de Galicia 2018' realizado por UGT. O sindicato aponta que hai moitas persoas que deben desprazarse a outros concellos diferentes aos seus de residencia para realizar trámites bancarios. |
NOS_32073 | Levaba anos calada, tanto xornalística como literariamente, e volve con forza co poemario 'Camuflaxe'. Pero hai máis novidades arredor deste regreso... | Lupe Gómez leva anos escribíndose con personaxes de todo tipo, desde John Berger a Antonio Gamoneda, pasando por Xosé Neira Vilas ou Xohana Torres. E dunha destas correspondencias naceu unha frutífera colaboración con Amancio Prada que -se nada se torce- se convertirá nun novo disco do músico berciano. "Para min está a ser un traballo moi interesante, moi estimulante, no que levamos máis dun ano", recoñece a poeta de Fisteus. "Eu estaba caladiña nesa época de camuflaxe, entón el díxome: 'por que non facemos algo xuntos?' Porque é moi admirador da miña obra. Eu coñecino nun concerto e quedei namorada del. Gustoume moitísimo en directo, escribinlle e entramos en contacto", explica. Eu envíolle os textos e el envíame cancións, pero é un traballo que nos deixamos moita marxe un ao outro E a partir de aí Prada deulle un título: "Ramo de oracións', que é el así moi místico. E a partir dese título eu empecei a escribir. Eu escribo a partir da súa música, e inflúe moitísimo en min, docifica a miña escritura. Eu envieille unha montaña de versos, escribo moito, porque teño un ritmo moi constante, de escribir todos os días. É un traballo moi estimulante para os dous, eu teño toda a súa discografía que me foi regalando e fun mercando. Escóitoo a el todas as noites, porque me atrapa, me seduce, me namora. Entón eu envíolle os textos e el envíame cancións, pero é un traballo que nos deixamos moita marxe un ao outro, facelo con paciencia, sen darnos présa, sen esixirnos nada, dándonos liberdade". Un novo libro este ano Lupe Gómez non é muller dunha soa editorial. Publicou en case todas elas e fixo unhas cantas autoedicións, coma a do seu primeiro libro, 'Pornografía', que provocou un forte impacto na tranquila vida cultural galega. Era directo, era atrevido e saíase das marxes. "Traballei moito con editoriais pequenas, sempre me sinto mellor coas pequenas que coas importantes. Non publiquei nunca en Galaxia, por exemplo, e en Xerais só publiquei un libro", explica. E agora está a preparar un novo proxecto con Alvarellos para publicar un espistolario, "porque eu dedícome moito a escribir cartas". A miña escritura é algo que está fóra das redes sociais porque é algo que se fai coas mans, coa caligrafía. "En todos estes anos que estiven calada escribín moitísimas cartas. A miña escritura é algo que está fóra das redes sociais porque é algo que se fai coas mans, coa caligrafía. Escribo unha carta case día case. Escribo un rascuño, logo paso todo a mao e logo fago unha copia tamén a mao para min. Por iso teño a mao xa deformada. Fanme tanta ilusión. Enviala e, claro, recibila moito máis. Tanto como publicar un libro. Para min é unha forma de edición. Sempre foi a miña forma de escribir, a través de cartas". Neste epistolario poderemos atopar cartas de Neira Vilas, de Xohana Torres ou do poeta español Antonio Gamoneda. E dalgúns amigos da poeta, "algúns que son escritores e outros que non". Lupe defende a literatura feita a man, artesanal, "algo que está afastado das máquinas e dos dispositivos". "É algo que me reconcilia coa natureza, e coa vida e co ser humano. Son 300 páxinas e teño que reducilo á metade. Entón cóstame moito porque hai cousas que me dá pena sacar. Pero vou facendo e para finais de ano se cadra xa sae. Titúlase 'Fosforescencias'. Porque a carta é algo que te ilumina, que é vida", conta. |
NOS_13054 | O executivo local fala de falla de "consenso" | Lugo non terá finalmenente 'ordenanza mordaza', a polémica Ordenanza de Seguridade e Convivencia, que o Goberno local (socialista) quería aprobar co apoio do PP e Ciudadanos; e que xerou o rexeitamento frontal de diferenets sectores da veciñanza lucense. A propia alcaldesa, Lara Méndez, anunciou a retirada da ordenanza e xustificou a decisión na ausencia de consenso para a súa aprobación, unha vez que EU e BNG mostráranse totalmente contrarios á mesma.A rexedora dixo que o documento era só un borrador de traballo e indicou que "non se pode retirar o que non está aprobado". En xullo do 2017 a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anuncia a recuperación dun proxecto do PSdeG local: unha Ordenanza de Seguridade Cidadá para o municipio. En maio de 2018 naceu a plataforma 'Lugo Sen Mordazas' co obxectivo de paralizar a entrada en vigor de dita ordenanza po entender que discrimina e criminaliza os colectivos da cidade con maior risco de exclusión. A finais do mes de setembro centos de persoas tomaron parte en Lugo nunha manifestación convocada por 'Lugo sen mordazas'. O borrador tipificaba unha serie de condutas, que ligaba coa súa correspondente sanción. As leves, con até 750 euros, as graves con até 1.500, e as moi graves con até 3.000 euros. Tocar na rúa, pedir esmola, sacar cadeiras á rúa, durmir nun banco ou "alterar a pacífica convivencia con escándalos, rifas, tumultos, ou proferindo palabras groseiras" suporían unha sanción de 750 euros. As faltas castigadas con até 1.500 euros inclúen pegar carteis, recoller sinaturas ou colocar mesas de información nas rúas sen a expresa autorización do Concello, manter relacións sexuais nun vehículo, ofrecer relacións sexuais na vía pública, vender produtos na rúa ou actuar como "gorrilla". Entre as graves atópanse o acoso entre menores, negarse a ser cacheada ou cacheado pola policía ou exercer a prostitución nunha vivenda. |
NOS_24649 | O exdeputado do PPdeG vese forzado a renunciar como Presidente do Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior. | José Manuel Castelao Bragaña vén de presentar a demisión como presidente do Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior. O exdeputado do PPdeG apenas durou catro días no cargo, para o que fora designado polo Ministerio de Emprego dirixido por Fátima Báñez. A renuncia chega despois dunha agre polémica provocada por unhas declaracións nunha reunión do órgano consultivo que representa a emigración do Estado, nas que o popular afirmou que as "leis son como as mulleres, están para violalas". Desde o BNG reaccionaron reclamando a Núñez Feijóo que desautorizase a Castelao Bragaña e que pedise perdón. Asemade, a socialista Laura Seara reclamara tamén a súa demisión. |
QUEPASA_431 | "Somos o único Hospital do SERGAS que non ten celadores". | Esta mañá de venres tivo lugar ás portas do Hospital Virxe da Xunqueira a eterna queixa ante os continuos recortes en materia de sanidade. Se as familias e ata os gobernos municipais protestan polos problemas no servizo de pediatría e de atención primaria, os profesionais do sector levan anos alertando da deriva da sanidade pública, tanto na irregular contratación como na carencia de profesionais. Así acontece, por exemplo, cos celadores, dándose a circunstancia ademais de que o HVdX segue a ser o único Hospital do SERGAS que non ten celadores. Así, os profesionais da área quixeron manifestar a súa repulsa á precariedade laboral deste grupo, que teñen que substituir parte da súa categoria polos PSX (Persoal de Servizos Xerais). Celadores do PAC e outros efermeir@s e auxiliares levaron a pancarta "coida a quen te coida" e fixeron lectura do manifesto de Enfermeiras Eventuais en Loita. Piden que se oferten todas as prazas vacantes, e que se remate cos contratos lixo de apenas un día, ou medias xornadas en centros de saúde deixando descuberta o resto da mañá. Aseguran que se pechan unidades no verán, e as urxencias, dado o aumento poboacional da zona coa volta de migrantes e a chegada de visitantes, están a rebosar. E non só polos recortes en persoal, senón tamén porque cada vez se cubren menos as baixas. A realidade é que hai carencia de profesionais para vir a estas zonas, e as xentes recén rematadas as carreiras xa están traballando, pero deberían mellorar as condicións. |
NOS_22088 | O Día do Teatro de 2021, que decorrerá o vindeiro 27, non se vai facer lectura do tradicional manifesto na gala de entrega dos Premios María Casares, posto que a cita está adiada por mor da Covid-19. | O vindeiro 27 de marzo conmemórase o Día do Teatro e a Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG) escolleu ao actor Evaristo Calvo para ser o autor do manifesto que tradicionalmente se difunde nese día. Calvo era o presidente da AAAG hai 25 anos, cando se organizaron os primeiros Premios María Casares, que neste 2021 aínda teñen pendente a súa data de realización por mor da situación sanitaria derivada da Covid-19. No documento, o integrante do dúo Mofa&Befa e da compañía Producións Teatrais Excéntricas, Evaristo Calvo reivindícase como "intérprete" e confesa que "sofre pesadelos ao soñar cunha sala case baleira, con contadísimos espectadores cos ollos abertos pero sen boca e sen a musculatura facial que a circunda". "Rostros illados, distantes e inexpresivos", continúa en referencia a este "contexto presuntamente provisorio, no que está restrinxida a razón da existencia do teatro, que é a congregación", sentenza o intérprete. Evaristo Calvo incide en que nestas circunstancias de "restrinximento" o que perden as intérpretes do teatro "é o sentido da nosa esencia como tales", alén da precariedade ou o empobrecemento material que poidan padecer. E engade que "Esta peste imprevista vén sumarse a outras pestes que parecen formar parte indisociábel do noso oficio; o desemprego e a baixa consideración social dos e das artistas". Mais o actor tamén defende que o teatro é unha "arte inmortal que ten a súa cara viva no agora, no tempo dos vivos". Con este manifesto, Evaristo Calvo únese a nomes como o de María Xosé Queizán, Xurxo Borrazás, Montse Dopico, Camilo Franco, Aldao&Lado, Carlos Santiago ou Imma António, que en anos precedentes escribiron o Manifesto Mundial do Día do Teatro. |
NOS_20901 | Están a favor desta "vitoria democrática" pero non entenden todos os argumentos do auto coñecido hoxe. Aliás, tanto a Deputación como o Concello da Coruña indican que o novo obxectivo é recuperar a Casa Cornide. | As distintas institucións amosaron ao longo da xornada a súa satisfacción polo fallo da Audiencia da Coruña que confirma a devolución do Pazo de Meirás ao Estado de forma definitiva. No entanto, hai unha crítica bastante xeneralizada pola decisión da Xustiza de facer pagar unha indemnización á familia do ditador Francisco Franco. O delegado do Goberno do Estado español na Galiza, Javier Losada, destacou esta "vitoria democrática", mentres que o alcalde de Sada (onde está situado o inmoble), Benito Portela, centrouse en lamentar que haxa que facer un abono polos gastos de mantemento desde 1975. Non hai que esquecer que neses anos foron os achegados de Franco os que gozaron do uso do complexo. Con todo, Portela ve en positivo "a declaración de nulidade de títulos, a expulsión dos Franco do pazo e a incorporación ao patrimonio público". Mais tampouco coincide coa Audiencia ao dicir esta última que "non houbo mala fe" das herdeiras ao quedar con Meirás. Pero tanto o Concello como a Deputación avisaron de que van recorrer esa parte da sentenza. Para o deputado de Patrimonio da Deputación coruñesa, Xosé Luís Penas, mesmo é unha "anomalía". "En lugar de esixirlles pagar o alugueiro por todos estes anos de ocupación ilícita de Meirás, o que temos é que pagar cos nosos impostos aínda máis diñeiro pola utilización como vivenda privada dun inmoble que se demostrou que era público", lamentou. A Deputación, como institución, tamén dixo non compartir ese suposto dereito a indemnización. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, limitouse a dicir que o auto amosa que "os Franco actuaron impunemente durante a ditadura". Por último, a Consellaría de Cultura cualificou a sentenza definitiva de "boa noticia", se ben opina que hai que "analizar" todas as partes "para seguir defendendo o patrimonio de todos os galegos". Arredor da Cornide Tanto Rey, como Penas, aludiron á sentenza aos activistas da Casa Cornide, que tamén se coñeceu esta semana. Mentres que o deputado non entende as dúas decisións ao comparalas -pois as e os activistas terán que pagar unhas multas-, a rexedora sinalou que agora haberá unha loita do municipio para que "devolvan tamén" o inmoble da Cidade Vella da Coruña que intentan vender. |
NOS_46817 | A livre circulação de pessoas e a liberdade de fixação de residência entre os países lusófonos é a principal proposta que Portugal defende na XI cimeira da CPLP, a decorrer em Brasília. Em contra estariam Angola e Brasil. | A Comunidade de Países de Língua Portuguesa reúne 250 milhões de pessoas e o governo de António Costa aspira a que esse contingente humano se poda mover sem entraves pelos distintos países que a compõem. A proposta bate com dois problemas. Um, o referido à oposição de Angola -muito reticente a mudar a súa política de concessão de visados- e, em menor medida, do Brasil. O segundo, as dificuldades de conciliação duma cidadania lusófona com o Acordo de Schengen. Os parceiros europeus de Portugal receiam uma invasão de estrangeiros num dos seus países membros. Ao não existir fronteiras físicas entre os estados integrantes de Schengen, um qualquer cidadão lusófono poderia deslocar-se sem qualquer problema por todo o espaço comunitário. Além desta questão, a outra grande notícia da cimeira é a presença em Brasília de Teodoro Obiang, o ditador da Guiné Equatorial, recente membro da CPLP. Portugal opusera-se no seu momento ao ingresso do país africano polo seu récord na violação dos direitos humanos. Duas condições foram-lhe postas a Obiang para permitir-lhe a entrada na comunidade lusófona: a abolição da pena de morte e a implementação do português como língua oficial do país. Nenhuma das duas cousas foi feita pelo momento. |
NOS_21325 | A produción caeu en perto de 30% no último ano. | As confrarías da ría de Ferrol seguen agardando unha resposta por parte das Administracións e organismos competentes que a comezos de 2021 accederon a integrar unha mesa de traballo para traballar nas causas da caída da produción marisqueira nos últimos anos. Hai máis de dúas semanas, denunciaron a "falta de compromiso" cos obxectivos deste foro, que na súa xuntanza o pasado maio encargou á Estación de Bioloxía Mariña da Graña —dependente da Universidade de Santiago de Compostela— un orzamento para a elaboración dun informe preliminar que tería que derivar nun estudo definitivo sobre as causas do deterioro produtivo da ría e as posíbeis solucións. "Seguimos abandonados e a nosa sensación é que esta ría non lles interesa", asegurou este domingo o patrón maior de Barallobre, Jorge López. O mariñeiro lembra que até o momento "só a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao" comprometeu a súa achega para a realización do traballo. López sinalou que, a pesar deste "silencio", seguirán procurando financiamento. "Cremos que o estado da ría non se debe a unha única causa", dixo, en referencia aos resultados dun informe que a Consellaría do Mar difundiu hai máis dun ano sobre a afectación nos bivalvos do banco das Pías, que estaría provocando un parasito. Caída significativa da produción Os datos ao fechamento do primeiro semestre do ano reflicten unha caída de algo menos de 30% na extracción de ameixa babosa en comparanza co mesmo período de 2020, e de 80% a respecto de 2019. |
NOS_2135 | A galería Trinta, a principal referencia na arte contemporánea en Galiza xunto con Ad Hoc, celebrou a pasada quinta feira os seus trinta anos cunha expo da artista ferrolá Pamen Pereira. Falamos do aniversario coa súa propietaria, Asunta Rodríguez. | - Que balance fas deste 30 anos nun aniversario tan simbólico?- Estes 30 anos pasaron moi rápido. Foi moito traballo, moita ilusión, moita implicación por parte dos artistas e tamén dos coleccionistas. Pero non quero facer balance porque nada está feito, nada está rematado. - Para empezar, Trinta sobreviviu á crise, que non é pouco. - Este é un sector moi fráxil, que non traballa con produtos de primeira necesidade e está a mercede do que pase. A arte é inútil e por iso é cara. Pero non teño claro que esta crise se poida dar por rematada... - Non, pero os anos máis duros xa pasaron e a galería segue a ser unha referencia no sector. - Si, está claro, non estamos no escenario do 2009, que foi unha absoluta catástrofe, foi un parón en seco, durante meses non entraba ninguén nin soaba o teléfono, non entraba nin saía nada da galería. Ese pánico rematou, vese menos medo na xente e realízanse transaccións con relativa normalidade. Eu sempre pechei os ollos, nunca dixen que algo é imposible na miña vida, sempre dicía "ten que ser posible, ten que ser", pero aínda así houbo momentos .nos que non podías dicilo porque era como unha tormenta perfecta. Xa pasamos os peores anos, pero pensa que a resaca que leva unha pequena empresa despois de tantos anos non gañando cartos e moitas veces perdéndoos, hai moito que darlle e moito que facer. Pero é certo que estamos aquí e que estamos bastante ben. - Como cambiou o mundo da arte contemporánea nestes anos?- A arte cambiou completamente, as novas tecnoloxías, a globalización... O mundo da arte converteuse nun negocio exclusivamente, cando paradoxalmente temos todas as ferramentas para que non sexa así. E a xente xa está aburrida de tanta oferta. "Nós queremos converter a galería non nun lugar de trato ou truco, exclusivamente de negocio, senón nun centro xerador de coñecemento" - En que lle afectan as novas tecnoloxías a unha galería física como a vosa?- Nós temos unha web actualizada constantemente, hai xente que se informa alí e chaman para preguntar. Hai unha frase dunha filósofa que di "as novas tecnoloxías achegan a xente que está lonxe, e afastan a xente que está perto". Dende que hai web, Facebook, Twitter... a xente ve as expos de xeito virtual. Hai menos visitas nas galerías, pero quen quere mercar unha peza pode vela en foto pero case nunca vai vir á galería a vela en directo. Temos moitas máis maneiras de convocar, pero temos un espazo que queremos que sexa visitado, e os artistas fan obras físicas, e hai que ver como é a comunicación e como lle contas as cousas á xente. Nós queremos converter a galería non nun lugar de trato ou truco, exclusivamente de negocio, senón un centro xerador de coñecemento, as expos que se teñen feito desde hai moitos anos son expos feitas in situ, con alto risco, que ti entras e dis, "esta muller está tola, non vai vender nada, ten unha instalación de 60 vértebras de vaca colgadas do teito, quen vai mercar isto?" A nosa idea é deixarlle aos artistas que falen e logo dentro do almacén hai outro tipo de obras, pero o importante é que a galería non sexa unha tenda exclusivamente, que o é, pero que teña unha aposta polas montaxes, pola liberdade que se lle dá ao artista, iso creo que é o que hai que facer, converter a galería nun centro xerador de coñecemento. - E como afronta a Trinta os vindeiros 30?- Bueno, imos facelo de mes en mes. Imos rematar esta temporada, empezar outra...non non plantexamos nada. De momento imos rematar esta temporada e seguir traballando, ensinándolle aos galegos e galegas as cousas que pensamos que son boas e que máis nos gustan. Imos intentar facendo o mesmo que sempre. Mentres haxa público e haxa forzas intentaremos que nada mude para que mude todo. - Dis na web que estes 30 anos son tamén "mérito dunha sociedade madura, curiosa e tolerante".- Por suposto. Isto non é, teño moitos cartos e monto unha galería, son un ovni. Hai moito snob neste mundo, e unha ten que ter claro onde naceu, quen son os seus veciños e quen son os artistas da súa xeración, quen é a xente que realmente necesita un altavoz. Entón é certo que Pamen Pereira leva 23 anos trabllando con nós, Berta Cáccamo leva 23 ou 24, Murado leva vintenonseicántos, iso xera confianza nos clientes. Aquí non estamos coa moda. Aquí non dicimos pois agora lévanse os artistas chineses, e logo os expresionistas abstractos de non sei onde... a xente non é parva. Nós non temos que darlle ao público o que el quere, iso é moi fácil. Daquela poñeriamos unhas marinas e unhas paisaxes con floriñas, non, a xente non é parava, nós temos que dicirlle o que pensamos que está ben, suponse que somos técnicos, especialistas en arte. Se a xente a tratas ben, a xente responde. Durante algúns anos en Arco, había 5 galerías de Galiza, cando do País Vasco ía unha, dúas ou ningunha, de Andalucía como máximo chegaron a ir 3. Algo pasa en Galiza. Hai unha sociedade que demanda cultura evidentemente. - Celebrades estes 30 anos cunha expo de Pamen Pereira, unha autora da casa. - Foi a primeira decisión que eu tomei como directora da galería hai moitísimos anos. Entón que ela fechase ese círculo era poético, era fermoso. |
NOS_21342 | A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais puxo os feitos en coñecemento de Función Pública e a Secretaría Xeral de Facenda. Ao non obter resposta, informaron ao Parlamento. | A Xunta de Persoal de Servizos Centrais da Xunta denuncian públicamente nun comunicado o "comportamento irregular dun funcionario que ocupa un cargo de subdirector na Consellaría de Facenda". Os representantes d@s traballador@s afirman que dito funcionario "utilizou os medios propios da Xunta e o seu cargo para unha actividade económica particular". Os feitos, indican, foron postos en coñecemento tanto de Función Pública como da Secretaría Xeral de Facenda "para tratar de obter unha solución satisfactoria e, non habendoa, despois ao Parlamento". Oposicións Ditas actuacións consistían fundamentalmente, denuncia a Xunta de Persoal, en publicitar a preparación de oposicións de promoción interna ao Subgrupo A2, mediante o envío de "mails" masivos a correos corporativos de traballadores da Xunta (convenientemente preseleccionados) en horario laboral e identificándose o preparador como Alto Cargo da Xunta de Galicia (concretamente como subdirector xeral do Tesouro) e facendo referencia indirecta a outros altos cargos que tamén colaborarían en dito cometido. Nos mails facíase referencia ao prezo das clases, horarios e temarios. Ademais incorporábase a publicidade da academia e unha folla de inscrición na mesma. |
NOS_5287 | Coa vista posta no 25N, a Marcha Mundial das Mulleres fai pública unha declaración que pon o foco sobre a «violencia xudicial», e na que chama a erradicar o patriarcado da xustiza a través da loita feminista. | «As leis de igualdade e contra a violencia machista definen un marco legal de protección ás mulleres que non se está facendo efectivo», avisa o documento emitido pola plataforma feminista, que salienta que os avances formais acadados nos últimos anos polo feminismo organizado «resultan insuficientes», vista a súa falta de aplicación. «Campañas e chamados a denunciar a violencia machista con promesas de protección, atención e axuda do aparato institucional ás mulleres móstranse na práctica, no mellor dos casos, baleiras de contido; no peor, a reprodución das violencias durante os procesos xudiciais remata por facer que as mulleres se cuestionen o feito mesmo da denuncia machista», advirte a declaración. Neste contexto, a Marcha Mundial das Mulleres formula unha serie de reclamacións ás institucións, a comezar por información pública do proceso de denuncia machista e dos dereitos das mulleres. «A estar acompañadas por avogadas no momento da denuncia, á atención psicolóxica e o acompañamento, a solicitar medidas de protección, a coñecer os recursos á súa disposición», enumera. A plataforma feminista exixe tamén formación específica de todo o persoal e axentes que atenden mulleres que sofren violencia machista en todos os niveis da administración pública, desde policiais a xudiciais, administrativos e sociais. A declaración demanda que se dote os Centros de Información ás Mulleres de medios suficientes para a atención e asesoramento, con persoal que acredite a formación específica en violencias machistas. Tamén, exixe que os recursos públicos postos a disposición da atención e acompañamento das mulleres que sofren violencias machistas mediante programas ou financiamento traballen de forma coordenada. Atención para as mulleres que sofren violencias machistas Entre as medidas que se reclaman desde a Marcha Mundial das Mulleres cóntase tamén a revisión da atención que se presta nos organismos públicos nos que se emiten informes que afectan aos procesos de denuncia. Este é o caso do Imelga, o Instituto de Medicina Legal da Galiza, para o que se pide un incremento de persoal e unha supervisión da súa formación en violencia machista, «para evitar que se empreguen invencións como o Síndrome de Alienación Parental contra as mulleres». En canto aos Puntos de Encontro Familiar, a organización feminista considera necesario modificar o decreto que rexe estes centros para garantir que nos se empreguen nos casos de violencia machista, «pois a finalidade deste recurso é a normalización das relacións familiares», e tamén para garantir a súa xestión pública. O documento urxe «solucións económicas reais» para as mulleres que denuncian, tales como incrementar o salario da liberdade en contía e duración. Por último, a plataforma chama á Xunta a instar ao Goberno estatal a crear máis xulgados específicos e a modificar a lei para estabelecer protección ás menores fronte aos agresores machistas. Tamén, empraza ao Goberno central a aplicar a lexislación internacional en materia de violencia machista e retirar as visitas coas fillas e fillos a homes denunciados por violencia desta clase, así como a retirar a patria potestade a homes nos casos máis graves até a sentenza firme. |
NOS_55614 | Son 4.400 máis que hai un ano e un 91% máis que en 2009. | Na Galiza hai 37.700 fogares sen ingresos. Fogares que non contan con ningún tipo de ingresos. Nin por traballo, nin por prestación, nin axudas... É a cifra máis alta da serie histórica analizada co comezo da crise, duplica os existentes en 2010. Naquel ano estaban sen ningún tipo de ingreso 17.500 fogares. . Durante 2011, 2012 e 2013 o número de familias nesa situación foi aumentando paulatinamente, chegando a 35.100 fogares en 2013. Comezou a descender en 2014 (34.300 familias), mais en 2015 volveu haber incremento, rexistándose 35.500 a mediados dese ano. O paro de longa duración e a fin das prestacións por desemprego, o esgotamento das axudas..... son varios os factores para explicar estes milleiros de fogares que carecen actualmente dalgún tipo de ingreso. Familias con todos os membros activos no paro A Enquisa de poboación activa (EPA) recolle que no segundo trimestre de 2016 había na Galiza 37.700 fogares nesa situación. Ademais, lembra o sindicato CIG, hai un total de 75.700 familias que teñen a todos os seus membros activos no paro. Para a UGT, a preocupación por estas cifras aumenta aínda máis de se comparar coas que se rexitraban en 2009. "Constátase que o número de vivendas nas que todos os activos están no paro medran en Galiza nun 69 por cento e as referidas ás que xa non teñen perceptores de ingresos nun 91,4 por cento". CCOO, de por parte, lembra que eses 37.700 fogares sen prestacións son 4.400 mais que en 2015. |
NOS_5668 | Ter ou non ter grupo inflúe, e moito, no tempo do que dispós para defender as túas propostas no Pleno do Congreso ou para intervir nos debates. | A repartición do tempo de intervención do grupo "confederal" de Podemos no debate de investidura de Pedro Sánchez -que comezará esta tarde ás 16.30 coa intervención do líder do PSOE- deixa ver cal é o peso relativo dos seus componentes. Dos 30 minutos asignados a cada grupo na intervención inicial, a matriz do confederal de Podemos -a liderada por Pablo Iglesias- disporá de 21, face os 6 adxudicados a En Comú Podem e os apenas 3 para a portavoz de En Marea, Alexandra Fernández (Anova). Mais o debate onde realmente se substancia non é nas intervencións iniciais, mais si nas réplicas e contraréplicas Mais o debate onde realmente se substancia non é nas intervencións iniciais, mais si nas réplicas e contraréplicas. Pois ben, nesa quenda desaparecen as confluencias e todo o tempo, toda a luz e todos os taquígrafos, serán para Pablo Iglesias (10 minutos na primeira sesión de investidura, 5 na segunda, a realizar a próxima sexta feira). O único con capacidade para rebater a Pedro Sánchez, segundo comunicaron fontes de Podemos a Europa Press. Non acontecerá así coa representación de Compromís, os parceiros valencianos de Podemos. Ao estar no grupo mixto, poderán participar nas réplicas e contra-réplicas, tal e como fixo o BNG durante os 20 anos en que tivo representación no Congreso. |
NOS_4728 | No novo número do suplemento 'Produzir', que atoparás mañá nos quiosques ou na loja dixital acompañando o Nós Diario, poderás ler unha profunda reflexión de por onde deben camiñar os sectores productivos da Galiza. Alcoa, a Unión Europea, Luis de Guindos e a adega Condes de Albarei son outros dos protagonistas da semana | Sae a rúa un novo número do caderno 'Produzir'. O suplemento, que acompaña Nós diario, ten como tema central no 'Saber facer' unha análise das necesidades para reactivar a economía galega nos próximos anos. Aleixo Vilas asina "Ideas para reactivar Galiza" na que fala das promesas do PP e doutros partidos nesta precampaña e reflexiona sobre un "dos buracos" dos mandatos de Feixoo na Xunta: "O I+D". Fálase de pesca, de banca, de enerxía... e de reorientar o modelo productivo. A capa abre co tema "A UE non cambia de guión" de Lucía Rodríguez. O artigo explica que Bruxelas volverá a impulsar as iniciativas da gran recesión. Pola súa banda, Xacobe Ferreiro advirte de que o vicepresidente do Banco Central Europeo, Luis de Guindos, xa avisou de que haberá recortes. Poderás ler os artigos ao completo este sábado no suplemento. Estará a venda nos quiosques, librarías, tendas, gasolineiras ou na loja online. Tamén estará dispoñible na rede a partir de mañá. A intensa axenda das empresas O 'Selfie' deste caderno ocúpao a presidenta da adega Condes de Albarei, María Dolores Calvo. 'Quen fai que' conta o decorrer da semana para os empresarios Roberto Tojeiro (Gadisa) e Juan Carlos Escotet (Abanca). Tamén hai un espazo para o cadro de persoal de Alcoa na Mariña e as súas protestas laborais. Os artigos de opinión 'Forza motriz' e "Pé a terra" abordan como a enerxía e o capitalismo. Encárganse deles María Cadaval e o economista Manoel Barbeitos, respectivamente. Suplementos temáticos diarios Coñecer', 'Aprender', 'Xogar', 'Gozar' e 'Producir' publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel. |
NOS_43601 | Ante as preguntas na Comisión de Agricultura, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, escudouse en que o sistema por franxas de idade e non por colectivos esenciais foi estabelecido desde o Goberno español. Porén, a Xunta si falaba de grupos específicos ao principio da súa campaña de inoculación dos fármacos contra a Covid-19. | As e os bombeiros que integran as brigadas contraincendios da Consellaría do Medio Rural serán vacinados contra a Covid-19 despois do inicio da tempada de alto risco de lumes. Así o alertaban as organizacións sindicais desde hai tempo se ben non foi até esta sexta feira cando se anunciou a futura inmunización deste persoal esencial. A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, foi a encarga da informar de que veñen de ser solicitadas as listaxes "dos integrantes dos servizos de prevención e extinción de incendios para vacinalos de forma inmediata en canto os recontos" estean dispoñíbeis. A representante da Xunta fixo este anuncio no decorrer da Comisión de Agricultura, na que a deputada nacionalista María González Albert preguntou se o servizo era considerado "esencial" pola Xunta para a vacinación e, en tal caso, "por que se incumpriu a estratexia e non se inmunizaron como si ocorreu cos bombeiros urbanos". Como resposta, Durán afirmou que o sistema estabelecido polo Goberno galego para a estrutura do tratamento é "a máis eficiente" e culpou ao Ministerio de Sanidade de estipular unha "estratexia nacional" baseada nos grupos de idade e non nos colectivos esenciais. No entanto, nas primeiras fases da campaña a propia Xunta falaba deses grupos de vital importancia para o correcto funcionamento dos servizos. De feito, comentou que a Consellaría de Sanidade era contraria ao deseño español da campaña. "Desde Galiza estamos satisfeitos co proceso de vacinación, ao que acoden diariamente miles de persoas", explicou e engadiu que, "superada" a vacinación dos grupos máis vulnerables, o país está en disposición de "priorizar" colectivos como os de extinción de incendios. "Fai ao redor dunha semana solicitamos as listaxes correspondentes para poder iniciar a vacinación destes colectivos que nos ocupan. Aínda que nos consta que moitos xa recibiron a súa dose (por idade), serán vacinados (o resto) en canto teñamos as listaxes", concluíu. Un traballo común En paralelo vaise proceder á inoculación dos fármacos contra o coronavirus entre o persoal non sanitario dos centros de atención a drogodependentes e ás persoas con discapacidade menores de 40 anos. Respecto dos últimos focos de contaxio, apelou á responsabilidade persoal da cidadanía e a ter en conta que "non só son as medidas farmacolóxicas" as que poden parar o virus, senón que hai que respectar a distancia, o uso da máscara, evitar as aglomeracións e limitar a actividade social. |
NOS_28870 | O ano 2022 trouxo até o de agora dúas boas novas para o galego: Netflix incluirá perto de 220 horas de contidos audiovisuais en lingua galega e a Axencia Tributaria ten a obriga de garantir o uso do idioma propio. Dúas conquistas que parten da sociedade galega: da implicación cidadá e das entidades en defensa a lingua. É precisamente este compromiso de base o que logrou en 2021 varias pequenas vitorias para os dereitos das persoas galegofalantes. | Na presentación a finais de marzo do informe da Liña do Galego por parte da Mesa pola Normalización Lingüística, o seu presidente, Marcos Maceira, afirmaba a Nós Diario que "denunciar [as agresións e vulneracións contra o galego] é fundamental porque permite en ocasións acabar con esas agresións". En 2021 houbo exemplos destas "ocasións" nas que se puido rematar coa vulneración de dereitos, tanto en entidades públicas como en empresas privadas e das que dá conta A Mesa. Eis algunhas das queixas cidadás tramitadas pola Liña do Galego e que tiveron éxito: 1.- Sanidade. A aplicación É-Saúde iniciábase por defecto en español. Cando se tramitou a queixa, a Consellaría de Sanidade deu traslado para que se mudase a prioridade da aplicación para que o idioma seleccionado por defecto fose o galego. 2. Concello de Vigo. Máquinas de aparcadoiros como as da Praza do Rei figuraban exclusivamente en español e inglés. Tras a tramitación da queixa, o Concello comprometeuse a incluír o galego. 500 queixas por vulneracións e discriminacións ao galego en 2021 3. Ministerio de Transportes. A Liña do Galego tramitou as queixas pola deturpación de topónimos en indicadores da estrada N-550 no tramo da parroquia pontevedresa de Cerponzóns. O Ministerio comprometeuse a empregar a forma correcta. 4. CRTVG. A política de privacidade da páxina web da Televisión da Galiza figuraba exclusivamente en español. Coa correspondente queixa, conseguiuse que figure en galego. 5. Abanca. A entidade non dispuña da versión en galego da documentación requirida para a tramitación da tarxeta de transporte da Galiza nin da tarxeta Xente Nova. Abanca comprometeuse a corrixir esta situación como consecuencia do traslado da queixa. 6. Ministerio de Sanidade. Denunciouse que en aplicacións do Ministerio figuraban deturpados topónimos como o de Ourense. Tramitada a queixa, o departamento estatal puxo os topónimos legais, en galego. 7. Concello da Coruña. Unha exposición organizada polo Concello contaba cun cartel integramente en español, no que se indicaba ademais que as visitas serían en español como regra xeral, quedando condicionadas a reserva as visitas en galego ou en inglés. Trasladada a queixa, o Concello da Coruña, garantiu a dispoñibilidade en galego das visitas guiadas sen necesidade de reserva. 8. Lidl. A cadea alemá usaba na Galiza topónimos deturpados como 'Villagarcía de Arosa', que foron corrixidos após varias queixas recibidas. 9. Ministerio de Política Territorial. Un concurso en Pontevedra estaba exclusivamente en español, o que foi corrIxido após as queixas. 10. Concello de Carnota. Tramitáronse as queixas polos paneis de parques infantís que estaban unicamente en castelán para que estivesen en galego. Unha denuncia diaria por discriminación lingüística A Liña do Galego é un servizo gratuíto que A Mesa pola Normalización Lingüística pon a disposicións da cidadanía desde 2008 e no que se poden presentar queixas sobre a vulneración dos dereitos lingüísticos ou no que se poden facer consultas respecto a estes dereitos. Ao longo de 2021, a entidade tramitou un total de 601 expedientes, dos que 488 foron queixas, 55 foron consultas e 58 foron parabéns. As administracións públicas e, nomeadamente o Sergas, acumulan o maior número de queixas. A secretaria xeral da Mesa, Celia Armas, explicaba que, en xeral, "é no ámbito da Administración onde a cidadanía é máis consciente da existencia dunha normativa que ampara os seus dereitos lingüísticos, polo que tolera menos a súa vulneración". 51% das queixas son sobre a Administración galega, 28% afectan á do Estado e 21% á Local. Porén, Armas sinalaba tamén que "no sector privado aínda hai moito por avanzar". Neste sentido, denunciou que as empresas sobre as que máis queixas se rexistraron en 2021 foron Naturgy, Ikea, Gadis, Google, Endesa e o Centro Comercial Vialia. |
NOS_5935 | Delegados e delegadas da CIG na industria electrointensiva concentráronse diante da Delegación do Goberno coincidindo co inicio da poxa de interrumpibilidade. | Delegados e delegadas da CIG concentráronse diante da Delegación do Goberno na Galiza para exixir un novo marco regulador da enerxía que garanta a viabilidade da industria electrointensiva, sector que representa no noso país por volta de 5.000 empregos directos. A protesta realízase coincidindo co inicio da poxa de adxudicación do sistema de interrompibilidade .A CIG reitera que esta poxa é unha "auténtica ruleta rusa e a verdadeira causa da inestabilidade e do risco permanente dos postos de traballo neste sector", de aí que demande a aprobación urxente do estatuto do consumidor electrointensivo comprometido polo Goberno español. Aproveitando a concentración, a CIG trasladou por escrito estas demandas ás ministras de Industria e de Transición Enerxética "para emprazalas a que cumpran as súas promesas, que non sigan mentindo". O secretario xeral, Paulo Carril, lembrou que a CIG "leva anos mobilizándonos na defensa dunha regulación máis xusta e equitativa, que recoñeza o status da industria electrointensiva a través da creación dunha tarifa industrial máis xusta, estábel e predicíbel". O presidente do comité de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo (CIG), advertía que "somos a seguinte fábrica no abismo", destacando que o complexo da Mariña é a industria máis electrointensiva que existe nestes momentos en Galiza. O presidente de Celsa Atlantic, Agustín Méndez (CIG), explicou que o Grupo Celsa acaba de anunciar un investimento de 60 millóns de euros en Francia para pór en marcha un tren de laminado con capacidade para producir 600.000 toneladas de aceiro "que poderíamos producir na planta da Laracha". Sobre a situación de Alcoa da Coruña, o delegado da sección sindical da CIG, Serxio Mosquera, subliñou que polo momento "todo está no aire, non hai nada concretado sobre a venda da planta". A respecto da situación en Ferroatlántica en Arteixo, o delegado da CIG, Víctor Naya, sinalou que hoxe se está votando o plan industrial proposto pola empresa "que é moi semellante ao presentado en 2017" e que condiciona calquera investimento na fábrica de Sabón á escisión da fábrica do resto da unidade industrial e a desvincularse das centrais hidroeléctricas. "Non podemos asinar un preacordo baixo estas condicións, que nos deixan sen a cobertura e o garante das concesións hidroeléctricas que tutela a Xunta". |
NOS_9836 | Una concentración da Fruga (Federación Rural Galega) en Lugo reclamou maior implicación do goberno. Acusan o executivo de deixar sen axudas ao 75% dos solicitantes. | A delegación da Xunta en Lugo acolleu esta cuarta feira unha concentración de gandeir@s de diferentes partes do país convocada pola Federación Rural Galega (Fruga). A mobilización expresaba o rexeitamento do vacún de carne á modificación que a Xunta fixo sobre as axudas de razas autóctona en réxime extensivo, "sen aumentar orzamento e deixando novamente ao 75% dos solicitantes que cumprían requisitos fora, o sector de vacún de carne segue en loita". O sindicato agrario ten claro, e así o tenmanifestado, o lesivo da decisión do goberno galego: "Vamos plantarlle cara a esta Xunta de Galiza que agrede unha e outra vez ao sector de vacún de carne, que recorta sistematicamente as axudas, que non renova o Contrato de Explotación Sustentable (CES), que paraliza o Banco de Terras, e que non defende os intereses das granxas galegas no próxima reforma da PAC. Por todo o anterior, continuaremos coas medidas de presión oportunas ata conseguir o que nos corresponde". |
NOS_33500 | Hai oitocentos cincuenta anos, falamos de decembro de 1169, o rei galego Fernando II outorgaba o coñecido como Foro de Pontevedra, documento que os historiadores consideran como a acta fundacional da cidade. Achegámosvos unha das iniciativas xurdidas este ano para lembrar a efeméride. | O concello de Pontevedra vén de editar, baixo a coordinación de Xosé Abilleira, Estudos sobre o foro de Pontevedra (1169), un volume onde se analiza a importancia deste documento así como o contexto político no que foi concedido. A publicación, a máis de recoller a tradución do foro e diversas contribucións sobre o mesmo, espallase por aquela Galiza de seu onde reinaba Fernando II, alcumado despectivamente ao igual que o seu fillo "o galego" por leoneses e casteláns. O libro conta coa colaboración dunha ducia de autores. Á marxe do propio Xosé Abilleira, que acomete a tradución do documento, achegan traballos Francisco Rodríguez Sánchez, Ricardo Pichel, Aurora Garzón, Ana Acuña, Mercedes López-Milllán, Anselmo López Carreira, Francisco Calo Lourido, Silvia Cernadas, Cilia Torna, Alberte Lago Villaverde e Miguel García Fernández. Acta fundacional de Pontevedra A maioría dos historiadores non dubidan en sinalar o foro de Pontevedra como a partida de nacemento da cidade do Lérez. O documento, asinado, con valor a perpetuidade en Ciudad Rodrigo por Fernando II, liberaba e absolvía "a todos os habitantes de Ponte Veteri, tanto presentes como futuros", dunha serie de obrigas, sentando as bases para a transformación futura da cidade, como importante núcleo marítimo e comercial. A condición nacional e o seu compromiso coa Galiza de Fernando II non deixaba dúbida entre os seus contemporáneos peninsulares e europeos Segundo sinala Anselmo López Carreira na súa colaboración "a maior transcendencia do Foro pontevedrés de 1169, dentro da súa excesiva concisión, radica no feito de asentar a base sobre a que se elabora o corpo xurídico da cidade, á que se atribúe personalidade autónoma como actor político específico e cuxos veciños "omnes habitatores" se consideran suxeito igualitario de dereito". Unha política ao servizo da Galiza O Foro de Pontevedra non se explica sen o impulso de Fernando II ás cidades e a vida urbana, no marco dun proxecto político destinado a converter a Galiza nunha grande potencia comercial. O seu reinado vai posibilitar a aparición de novos núcleos de poboación pero tamén o renacemento doutros xa existentes, sendo, cando o seu fillo Afonso VIII, mal chamado o noveno pola historiografía españolista, o responsábel da concesión da maioría das cartas forais da Galiza. O nome de Fernando II esta asociado ao nacemento ou rexurdimento de cidades e vilas como Lugo, Tui, Padrón, Noia ou Ribadavia, todas elas favorecidas polos foros outorgados polo monarca. A súa política tería continuidade co seu fillo, Afonso VIII, promotor das cartas forais de Tui, Baiona, Lobeira, Ponte Caldelas, Melide, Monforte de Lemos, Sarria, Betanzos, A Coruña,Triacastela ou Castro Caldelas, redactado en galego en 1228. Fernando II, un rei galego Fernando II gobernou para garantir a hexemonía galega no espazo cristián peninsular, nunhas circunstancias máis complicadas das vividas polo seu pai Afonso VII, diante do evidente empuxe e fortaleza de Castela. Segundo destaca Francisco Rodríguez, na súa contribución ao volume, "Fernando II era galego de nación, educado na casa do devandito conde Fernán Pérez de Trava, coa lingua galega como a inicial e usual, moi afeccionado ás artes trobadorescas, combativo…". A súa condición nacional e o seu compromiso coa Galiza non deixaba dúbida entre os seus contemporáneos peninsulares e europeos. Sen ir máis lonxe, o recoñecido trobador provenzal Arnaut Daniel en Doutz brais e Crirz, obra escrita entre 1180 e 1196, refírese a ele como "o rei dos galegos", na liña do exposto polos cronistas británicos Roger de Howden ou Radulfo de Diceto. Fernando II atopase enterrado no Panteón Real da Catedral de Santiago de Compostela. A este respecto, Francisco Rodríguez escribe que "esta acompañado de antecesores seus (a súa nai, a catalá Berenguela, tan identificado con Santiago; o protector do seu pai Afonso VII, nado en Caldas de Rei, canda neno, Pedro Froilaz). Tamén os seus sucesores inmediatos: o seu fillo Afonso VIII, na súa mesma liña estratéxica e aínda con máis esplendor, o seu neto, nado do matrimonio deste coa infanta Tereixa de Portugal, Fernando Afonso, que había herdalo, morto por desgraza para Galiza antes de chegar a ser rei…" |
NOS_55780 | Aínda que Marcelo Rebelo de Sousa se perfila como claro vencedor, a abstención pola pandemia podería dar cheda a André Ventura, para quen ir ao desempate xa sería un grande éxito. | Portugal vota este domingo, 24 de xaneiro, nas eleccións presidenciais baixo o extraordinario condicionante da pandemia. Aínda que o actual mandatario, o conservador Marcelo Rebelo de Sousa, continúa perfilado como abafante favorito, a baixa participación que anticipan os actuais máximos de contaxios favorecerá claramente o emerxente deputado da ultradereita André Ventura, para quen a posibilidade de forzar unha inédita segunda volta xa suporía unha vitoria sen precedentes con vistas ás súas aspiracións de futuro. As sondaxes conceden a Rebelo de Sousa aproximadamente entre 58% e 62% dos votos mentres que, a gran distancia, Ventura está en situación de empate técnico (en torno a 12-13%) como segundo candidato máis votado, de maneira conxunta coa candidata Ana Gomes, esta última un caso excepcional: deputada socialista que comparece co apoio doutros dous partidos, Pessoas–Animais–Natureza (PAN) e Livre, dado que o primeiro ministro e líder socialista, António Costa, eludiu prestarlle o seu apoio. O resto dos sete candidatos non sobe de 10%. Ventura é unha figura anómala na política de Portugal, un país que se distinguiu por cortar de raíz a urxencia da ultradereita que marcou os últimos anos da política europea. En 2021, dous anos despois da creación do seu partido, o Chega!, o dique de contención parece rexistrar as primeiras fendas, no que supuxo a fin do excepcionalismo portugués fronte ao ascenso dos radicais. Polémicas A súa retórica, en principio, é indiscerníbel en moitos aspectos de correlixionarios da ultradereita europea como Marine Le Pen ou Matteo Salvini. A través dunha linguaxe incendiaria nas redes sociais, este avogado de 37 anos e convidado habitual en programas de fútbol propón a caza sen freo á inmigración ilegal, endurecemento das penas de prisión, a castración química para pederastas e violadores convictos e redución do número de deputados no Parlamento como parte dunha loita sen cuartel contra as "elites" nacionais. Noutros momentos, no entanto, a virulencia do seu discurso non coñece rival en Europa: o seu partido propuxo votar a posibilidade de extirpar os ovarios ás mulleres que abortasen, avogou pola expulsión do país da deputada Joacine Katar, de raza negra, e chegou a pór en dúbida o legado da Revolução dos Cravos que acabou coa ditadura en 25 de abril de 1974. Ventura é un xerador de caos, ao que nin sequera protestas populares como a organizada a semana pasada, co xesto dos beizos pintados de vermello despois de Ventura dicir á súa rival do Bloco de Esquerda, Marisa Matias, que "não está muito bem em termos de imagem, com aquele batom vermelho, como se fosse uma coisa de brincar"; ou actos de violencia como o ocorrido na quinta feira en Setúbal, onde un grupo de manifestantes o apedraron tras un acto de campaña, parece influír nel: o seu partido subiu nove puntos nas enquisas en só dous anos e emerxeu como figura chave para formar goberno nos Açores. Con 11% en intención de voto nas enquisas, poucas posibilidades ten en comparación ao mínimo de 60% que obterá o presidente Rebelo de Sousa, mais os expertos dan por sentado que os simpatizantes do deputado ─"o Exército Popular Português", como el lles chama─ non fallarán á cita electoral para votar por el, malia a crise sanitaria sen precedentes desde o inicio da pandemia, con récords diarios de contaxios e falecementos. Abstención vs. Rebelo de Sousa O conservador Rebelo de Sousa, que Ventura chama "covarde", conta coa admiración dos seus simpatizantes polo pragmatismo e as actitudes de estadista, sobre o que hai un consenso case maioritario en consideralo unha figura de estabilidade que reforzou a figura do presidente moi por encima das limitadas competencias que exerce na política nacional. De feito, o primeiro ministro Costa abstívose de dar o seu apoio a Gomes nestas eleccións, extraoficialmente para non arrebatar votos ao veterano mandatario, e doutra banda para se aforrar unha derrota garantida, o que xerou certa tensión coa candidata socialista. Todo dependerá finalmente da abstención, que se clacula andará por volta de 65%. "Basta que a abstenção atinja 70% para tornar quase inevitável uma segunda volta", alertou o actual presidente da República. |
NOS_17932 | O Observatorio de Esculca remitiulle ao Valedor do Pobo, José Julio Fernández, un escrito no que reclaman a súa demisión por tomar partido en declaracións públicas a favor de Feijóo no caso das fotos co narcotraficante. | Co fin de "salvagardar o prestixio da institución", Esculca reclámalle ao Valedor a demisión ao ter conculcado o mandato de imparcialidade que recolle a lei da súa creación. "O Sr. Fernández comprometeu gravemente a súa obrigada imparcialidade institucional ao sinalar, como Valedor, que determinadas imaxes fotográficas publicadas do Sr. Presidente da Xunta de Galiza, que centran o debate partidario nestas datas, carecen de interese informativo, o que só pode ser interpretado como unha mostra de apoio a unha opción política concreta" recollen no comunicado. Esculca chama a atención arredor da disponibilidade do Valedor para a intervención neste tema público cando garda silencio noutros asuntos que terían que ser da súa competencia, en especial, referidos aos dereitos fundamentais. Citan a omisión no caso da presa Noelia Cotelo, da dispersión penitenciaria ou a falta de identificación dos policías, entre outros relatorios remitidos pola propia entidade á institución que preside José Julio Fernández. Temas sobre os que o Valedor nin actuou nin opinou nos medios de comunicación "como fixo de xeito solícito no caso das fotografías publicadas pola prensa en que o presidente da Xunta aparece xunto ao coñecido narcotraficante Marcial Dorado". Por todo isto, o Observatorio de Esculca reclama que o Valedor presente a súa demisión perante a Presidencia do Parlamento co fin de "garantir a imparcialidade da Institución, cuestionada pola súa actuación individual persoal". |
NOS_20668 | O Sermos Galiza 223, á venda desde a noite desta cuarta feira na loxa online e nos quiosques a partir da quinta feira, inclúe un caderno especial sobre a violencia machista. Trátase dun A Fondo coordinado por Luz Darriba que achega aos lectores e lectoras unha visión global con motivo do 25 de novembro. | Xunto co novo número do semanario Sermos Galiza, publicamos un caderno especial sobre violencia machista coordinado pola artista multidisciplinar e activista feminista Luz Darriba. O suplemento incorpora unha visión global a respeito do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, con achegas desde Galiza e desde Latinoamérica. "O obxectivo pasa por termos unha visión máis completa do que representa esta lacra e do que tamén fai Latinoamérica, onde os movementos de mulleres están en pé contra a violencia machista", indica a coordinadora, consciente de que "fica moito por facer para parar algo que semella imparábel". Luz Darriba: "Gostaría de que a xente tomase consciencia de que a violencia machista é algo que temos que parar entre todos e todas" "Gostaría de que a xente tomase consciencia de que a violencia machista é algo que temos que parar entre todos e todas. Un dos pasos fundamentais é considerala unha cuestión de Estado, que se lle dea o tratamento que lle hai que dar e que se adopten medidas para que non nos estean matando como nos matan", salienta Luz Darriba. Colaboracións Entre as colaboradoras deste A Fondo atópanse Liliana Hendel, psicóloga, xornalista e docente que coordina a rede internacional de xornalistas con visión de xénero da Arxentina; Micaela Fernández Darriba, directora da Revista Virtual de Xénero Foeminas; Mar Esquembre Cerdá, profesora de Dereito Constitucional na Universidade de Alacante e presidenta da Rede Feminista de Dereito Constitucional, e María Xosé Porteiro, política, xornalista e escritora feminista. Aliás, Luz Darriba entrevista Coral Herrera, doutora en Comunicación Audiovisual, escritora e creadora do Laboratorio do Amor, quen analiza tópicos como o amor romántico e a súa repercusión nas nosas vidas. Tamén conversa con Claudia Mandel, docente da UCR e directora do Museo das Mulleres de Costa Rica, que vén de publicar Estéticas do Bordo. Prácticas artísticas e violencia contra as mulleres en Latinoamérica. "Pareceume moi interesante contactar con persoas que formaron parte do Encontro Rosario, no que participaron perto de 100.000 persoas, e do Mércores Negro, e coñecer experiencias como as arxentinas, pois o tema é continental e temos que contaxiarnos", engade. [Este especial publicarase xunto co Sermos Galiza 223, á venda a noite c na loxa online e nos quiosques a partir da quinta feira] |
NOS_49140 | Unha ampla delegación do sector do mar de Galiza, grazas ás xestións do BNG, expuxo en Bruxelas as súas opinións e ideas sobre a PCP (Política Común de Pesca) | A máxima autoridade en política pesqueira da Unión Europa, a Comisaria de Pesca María Damanaki, escoitou de primeira man as peticións e ideas dos diferentes sectores do mar da Galiza (bateeiros, pesca artesanal, redeiras, mariscadoras...) , que se desprazaron até Bruxelas grazas ás xestións do BNG, que mediou para obter unha cita de tanta importancia para un sector fulcral no tecido laboral e económico do país. Acompañando á comotiva ían a eurodeputada nacionalista Ana Miranda e o parlamentario BIeito Lobeira. Lobeira lembrou horas antes da xuntanza que "o BNG é crítico coa PCP (Política Común de Pesca) polos seus negativos resultados para a flota galega". Por iso, salientou que "con esta interlocución directa ante a Comisaria de Pesca, María Damanaki, queremos facer o que nunca se fixo: facer chegar directamente a Bruxelas a voz do sector pesqueiro galego". Importancia Na xuntanza, os representantes dos diversos sectores do mar galego trasladaron á responsábel da UE a importancia de cada un deles, así como de todos eles no seu conxunto, non só para Galiza, senón mesmo para o continente. Pesca artesanal, acuicultura tradicional e actividades relacionadas supoñen non só, apuntaron, un factor de emprego, senón toda unha aposta por unha actividade encardinada nas súas comunidades costeiras e que se desenvolve á marxe de parámetros meramente produtivistas. Demandas Cópre lembrar que Ana Miranda ten subliñado que "Galiza xógase a súa pesca artesanal e o seu marisqueo na reforma da PCP e por iso organizamos esta visita, para defender directamente os intereses específicos de Galiza ante as autoridades da Unión Europea". Neste sentido, defendeu que "a reforma da PCP non se debe facer de costas ao sector da pesca artesanal e por iso presentamos máis de cen reformas aos d |
NOS_23271 | A presentación dunha demanda en galego é un dereito e non é un defecto de forma. É o que vén de resolver o TSXG en resposta ao recurso presentado pola empresa In Side LOGISTICS contra unha demanda por despedimento, alegando "defecto de forma" por estar escrita en galego. | Non é un defecto de forma, senón un dereito que nos asiste. O TSXG dá a razón á traballadora e á CIG na resposta ao recurso presentado pola empresa In Side LOGISTICS contra a demanda de despedimento por estar escrita en galego. A empresa alegaba "defecto de forma" por estar a demanda presentada na nosa lingua, ao que o TSXG vén de responder que ese é un dereito da traballadora. A empresa solicitaba que a demanda fora traducida ao castelán mais fundamentaba o seu recurso en considerar un "defecto" estar redixida na nosa lingua. A sentenza agora emitida polo TSXG recoñece que "unha demanda presentada en galego terá plena validez. Se unha demanda debe surtir efectos nun territorio fora da Comunidade Autónoma Galega e se solicita pola parte a súa tradución ao castelán, o xulgado procederá a súa tradución". Amparada na lexislación A empresa ten o seu centro en Valencia mais a traballadora desenvolvía os seus labores para In Side desde a Coruña e, en función das normas que rexen as competencias territoriais, tiña dereito a presentar a demanda na Coruña. A demandante presentara un recurso a través dos servizos xurídicos da CIG e o seu avogado, David Pena, defendía na argumentación que o uso do galego é un dereito que se ampara non só na lei de Normalización Lingüística, senón tamén no Estatuto ou na propia Constitución. "A redacción da demanda en lingua galega non constitúe defecto algún senón un dereito amparado pola lexislación lingüística tanto do Estado español como internacional", defendían no texto da impugnación, afirmacións que vén de avalar agora o TSXG. A empresa tentaba empregar a lingua como razón para invalidar unha demanda contra despedimento. A empresa podía ter solicitado o servizo de tradución dos documentos a través do propio Xulgado. |
PRAZA_10229 | Malia a caída dos tres alcaldes das Mareas o PP non participará da alternancia nestas cidades, onde gobernará o PSdeG. Nas cidades onde ascendeu, Ferrol e Lugo, a mellora dos resultados non lle abondará ao PP para gobernar e en Ourense, onde si gobernaban, perden o poder | Nas estratexias municipais do PP galego no últimos catro anos unha liña sobresaíu fronte todas as demais. Desde que, en 2015, as mareas municipais desaloxaron do poder as daquela tres alcaldes populares na Coruña, Ferrol e Santiago, gran parte da forza dos de Alberto Núñez Feijóo no PP, pero tamén na Xunta, dedicouse a tentar reconquistar estas parcelas de poder. Ao tempo, a tentar erosionar as que ostentaba o PSdeG galego. Pero este 26M non o conseguiron. Máis ben ao contrario. Fican fóra da alternancia nas ata agora cidades das Mareas e perden o poder urbano que tiñan.Un dos grandes titulares da noite electoral é a caída dos tres alcaldes das Mareas, pero o PP non participará da alternancia nestas cidades, onde gobernará o PSdeGUn dos grandes titulares da noite electoral municipal en Galicia é a caída dos tres alcaldías das Mareas. Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez perden o poder e un moi notable número de edís. Pero, ao contrario do que esperou o PP durante gran parte do mandato municipal -polo menos, ata o último ano, marcado pola moción de censura a Mariano Rajoy e o triunfo de Pedro Sánchez nas eleccións xerais-, o PP non participará da alternancia. Os socialistas erguerán os bastóns de mando coruñés, compostelán e ferrolán, sumándoos ao que xa ostentaba en Vigo Abel Caballero, agora cunha maioría aínda máis absoluta. Case galáctica.Nas cidades onde ascenderon, Ferrol e Lugo, a mellora dos resultados non lle abondará ao PP para gobernar e en Ourense, onde si gobernaban, perden o poderOs de Feijóo ficaron a un concelleiro da maioría absoluta que lles daría a alcaldía en Ferrol, onde o camiño de volta do ex-alcalde e ex-conselleiro Rey Varela remata na oposición. O mesmo lles sucedeu en Lugo para tentar lograr, mediante unha suma con Ciudadanos, desbancar ao PSdeG. A socialista Lara Méndez poderá seguir gobernando se logra pactar cun BNG que na propia noite electoral xa mostrou a súa disposición ao entendemento para frear á dereita. Nas dúas urbes con máis ascenso o presidente galego ficou sen premio. Tamén en Pontevedra, onde o BNG de Miguel Anxo Fernández Lores acusa un certo desgaste coa perda dun concelleiro, pero 11 de 25 edís déixanlle a alcaldía asegurada.Ferrol, Lugo e Pontevedra comparten ademais outro trazo neste 26M. Das súas corporacións desaparecen as formacións ligadas hai catro anos ás Mareas. O mesmo que na única cidade galega ata agora gobernada polo PP, Ourense, onde balance é mesmo peor para os de Feijóo. O candidato, Jesús Vázquez, pasa de 10 a 7 edís nunha corporación de 27 e cede o primeiro posto en votos. Só un entendemento con Democracia Ourensana, que esixe a alcaldía, podería permitir aos populares seguir tocando poder nesta cidade. O socialista Rodríguez Villarino, así e todo, xa se ve alcalde.Na Galicia vilega os populares recuperan feudos como Lalín pero perden outros, como VilalbaAo fracaso do asalto urbano, onde Feijóo se implicou especialmente tanto persoalmente como a través da elección das candidaturas -cinco do sete aspirantes foron conselleiros do seu Goberno- engádense máis motivos para a alarma no PPdeG. Aínda que recuperaron feudos simbólicos en vilas medias como Lalín, perderon outros como Vilalba, vila natal de Manuel Fraga. Ademais, nas eleccións europeas foron superados en votos polo PSdeG. Ou, o que é o mesmo, o PPdeG volve non ser a forza máis votada nunhas eleccións algo que nunca pasara.Nunha primeira valoración Feijóo admitiu que buscaba resultados "mellores" e apresurouse en garantir "acougo" e "normalidade" no ano que resta de lexislatura galega. "Imos seguir gobernando", afirmou nunha intervención ante os medios na que lembrou que nas recentes xerais o resultado do PP galego foi "bastante peor". As alarmas están prendidas e os socialistas vense lanzados nunha carreira pola Xunta na que dan por descontado un afundimento do espazo das Mareas que non compensa en magnitude o ascenso dun BNG que volve estar presente nas corporacións das sete cidades. |
NOS_45419 | O líder de Anova, un pouco na esteira de Feijóo, continúa alimentando o suspense a respeito da súa candidatura. Por unha banda afirma que é inverosímil, mais por outra non a desbota e di que no seu momento fará "o que crea oportuno". Sectores das Mareas e de Podemos, como xa informou no seu día Sermos, non o respaldarían como cartaz eleitoral. | Beiras compareceu esta quinta feira en conferencia de imprensa para apresentar a Convención Nacional que o seu partido, Anova, irá realizar este próximo domingo na Coruña, no Hotel Riazor, a partir das 10 horas. Mais, como era previsíbel, os focos da imprensa non se puxeron no temario a debate nesa convención e si na cuestión que monograficamente orbita arredor de Beiras e Anova nas últimas datas: a hipótese de o veterano político -que esta mesma semana cruzou o rubicón dos 80 anos de idade- se candidatar ou non á presidencia da Xunta. A este respeito, Beiras mantivo a sua dupla linguaxe, isto é, continuou sen desbotar categoricamente a súa candidatura, embora reiterou o discurso de que a ve inverosímil por razóns biolóxicas: "Son responsábel, sei a idade na que estou e cais son as miñas enerxías". Para o líder de Anova, o fundamental é que o eleitorado teña claro o que ""que vai votar") e non tanto "a quen". Aí foi cando engadiu que ante a cita eleitoral el fará "o que considere oportuno". As fontes consultadas por Sermos apuntan desde hai semanas que Beiras si aloumiñou a posibilidade de se candidatar, mais que é consciente de que non conta con apoios en sectores moi relevantes das Mareas As fontes consultadas por Sermos apuntan desde hai semanas que Beiras si aloumiñou a posibilidade de se candidatar, mais que é consciente de que non conta con apoios en sectores moi relevantes das Mareas e mesmo en alas do seu partido, que manexarían como opcións alternativas as de Martiño Noriega, alcalde de Santiago, e as do deputado e coordenador nacional de Anova, Antón Sánchez. Noriega, en entrevista con Sermos, púxose fóra da carreira co argumento de que ten un compromiso coas cidadás e os cidadáns de Compostela. Argumento xémeo ao utilizado por Xulio Ferreiro, o rexedor da Coruña. 4 eixos temáticos Beiras estivo acompañado no acto informativo por Rafa Dopico, da área de Organización da Permanente de Anova. Este dirixente foi o encarregado de apresentar a Convención. Esta reunión da militancia desta organización nacionalista -aberta tamén a simpatizantes e moi nomeadamente ás mareas municipalistas- terá, explicitou Dopico, catro eixos temáticos básicos: o proceso para a elaboración do programa para as eleccións galegas, a reflexión sobre o suxeito eleitoral -isto é, sobre a forma de concorrencia a eses comicios-, o debate sobre como mellorar as vías de participación social na política e o rol de Anova como organización "neste proceso de construción da unidade popular" que ten como norte a derrota do PP e a formación dun "goberno galego de cambio e de ruptura". |
NOS_29678 | Atendendo ao seu carácter "estatal", o economista Xosé Díaz, autor de As contas que nos contan, sinala que ve "normal" que En Marea, o PSOE e o PP se posicionen en contra dun sistema de concerto económico para o país, pois este é un modelo que "corresponde á idea de Galiza como nación". | Preguntado por Sermos Galiza ao respeito, antes de comezar a conferencia que impartiu na Facultade de Economía e Empresa da Coruña, Xosé Díaz puxo de manifesto que lle parece "normal" que "grupos políticos estatais e non nacionalistas, como En Marea, PSOE e PP, desboten o concerto económico para Galiza". Indica que o concerto "corresponde a unha idea de Galiza como nación" e que as citadas formacións políticas "pensan que Galiza é unha simple rexión, como podería ser Murcia ou La Rioja". Aliás, o economista advirte do "absurdo" que lle resulta o feito de que "até hai ben pouco, estes grupos políticos defenderan que co sistema de concerto Galiza financiaría moito peor os servizos públicos e as competencias das que dispón". "Todo o mundo sabe que soportamos 11.131 millóns de euros, mentres que o custo das nosas competencias é duns 7.000 millóns, polo tanto, un sistema de concerto daríalle a Galiza unha cantidade de cartos moi importante para destinar a servizos públicos e a benestar das persoas", asegurou. Pola outra banda, cualificou de "disparate" o feito de que En Marea, PSOE e PP consideren que un sistema de concerto provoque desigualdade, "o último que se lles ocorrería aos vascos e navarros sería botarlle a culpa ao sistema de concerto que teñen e que os sitúa nos niveis máis elevados dentro do Estado español e da UE, tanto en PIB per cápita, como en protección social, como en infraestruturas". Por último, fixo alusión ao portavoz de En Marea, Luís Villares, cando advertiu de que o xuíz defendía "unha confederación de 18 nacións". "Entendo que fala de que todas as comunidades autónomas son nacións e que, en consecuencia, Galiza, Catalunya e Euskadi serían iguais a Murcia, por exemplo", afirmou. Ironizou coa suma de 18 nacións, "quizais quixer que nos confederásemos con Portugal, pois polo de agora as comunidades autónomas son 17". As contas que nos contan, na UDC Xosé Díaz impartiu unha conferencia na Facultade de Economía e Empresa na sexta feira, 17 de febreiro, na que, a través de argumentos científicos, debullou o contido de As contas que nos contan, diante de alumnado da UDC, a quen lle explicou o "uso perverso" da "ideoloxía das balanzas fiscais", que leva a pensar que Galiza "é un país subsidiado" e que "somos incapaces de nos valer por nós mesmos". "Usar unicamente como ferramenta as balanzas fiscais é un auténtico disparate", advertiu. O economista cualificou de "falacia" o resultado que emana do balance fiscal de ingresos e gastos sen facer, á vez, un balance das relacións económicas entre o Estado español e Galiza. Sinalou, neste sentido, que a economía "é máis que unha suma de balanzas" e denunciou que se nos queira presentar "un presente falseado para negarnos o noso futuro en liberdade, para que nos sigamos mantendo nunha relación de submisión e dependencia a respeito do Estado español". "Co uso das balanzas fiscais, queren dar a entender que sen a existencia do Estado non somos ninguén", ilustrou. "Madrid fica baleirado de gastos e pode ofrecer esa visión solidaria que interesa dar" Para desmontar o mito da Galiza subsidiada, o economista deu conta, alén da metodoloxía das balanzas e da necesidade de empregar os fluxos reais, da recadación de impostos tanto no país como a nivel central, así como os gastos que Madrid lle imputa ao resto de territorios. Neste sentido, informou de que a Galiza lle corresponde pagar 1.000.069 euros de gastos da Administración do Estado. "Madrid fica baleirado de gastos e pode ofrecer esa visión solidaria que interesa dar", advertiu. A capacidade fiscal de Galiza, a diferenza entre créditos e investimentos a respeito dos aforros galegos e a imputación das pensións foron outros dos temas tratados por Xosé Díaz na Facultade de Económicas da UDC, onde, con elementos técnicos, tamén tratou a balanza enerxética. O economista foi presentado diante do alumnado e profesorado que asistiu á conferencia por Anxo Calvo, decano da Facultade de Economía e Empresa, quen lle agradeceu a Xosé Díaz a súa contribución á hora de estimular a mente do alumnado. As contas que nos contan é o último libro editado por Sermos Galiza, un agasallo aos subscritores e subscritoras que tamén está á venda na loxa e nas librarías. |
PRAZA_9292 | O 8 de febreiro de 2009, a tres semanas das eleccións, destacados dirixentes do PP con Rosa Díez e Albert Rivera como actores secundarios foron á manifestación pola "liberdade" que disque a Xunta puña en perigo por impartir en galego a metade das materias escolares | "¡Paletos, aldeanos! ¡Libertad, libertad, libertad!". O 8 de febreiro de 2009 era domingo e Santiago amenceu chuvioso. Nas rúas do centro da capital galega a blindaxe policial era evidente. Dende os lugares onde habitualmente estacionan os autobuses de turistas avanzaban grupos de persoas con ricto a medio camiño entre a excursión dominical e o anoxo. Algunhas chegaban dende outros puntos de Galicia, outras moitas de fóra do país. Unhas e outras dicían estar dispostas a manifestarse pola "liberdade" que disque a Xunta estaba a poñer en perigo coa impartición dun "mínimo" do 50% das materias escolares en galego en Galicia. O PP asumiu o argumentario e difundiu como certo que o galego era maioritario nas aulas. Non admitiría ata tres anos despois que realmente era minoritario. Que o afirmado era mentira.O 8 de febreiro de 2009, a tres semanas das eleccións, destacados dirixentes do PP con Rosa Díez e Albert Rivera como actores secundarios foron á manifestación pola "liberdade" que disque a Xunta puña en perigo por impartir en galego a metade das materias escolares Os excursionistas de tal reivindicación respondían á convocatoria dunha asociación denominada Galicia Bilingüe, colectivo presidido por unha profesora dun instituto vigués. Tras o correspondente traballo de mercadotecnia, esa asociación substituíra no labor outras pretendidas organizacións e manifestos pantasmas con nomes máis proclives á chanza, como Tan gallego como el gallego. Cando, contra o mediodía, manifestantes propios e foráneos comezaron a concentrarse na contorna da Alameda, entre os grupos de indignados por unha suposta "imposición" do galego destacaba unha das estrelas das novas canles da TDT, Rosa Díez, líder de UPyD. Achegárase a Santiago porque "la política es más que votar cada cuatro años", explicaba. Moito máis desapercibido pasaba un político que tres anos antes saltara aos medios fóra de Catalunya por aparecer espido nun cartel electoral: Albert Rivera, líder de Ciudadanos, cuxa presenza anunciara a "Federación Norte" do partido.A delegación dos populares encabezábaa o seu secretario xeral e xefe de campaña, Alfonso Rueda. A Feijóo cadráralle estar a dar mitins en Bos AiresPero tanto Rivera como Díez eran actores secundarios da marcha, estratexicamente situada no calendario a escasas tres semanas das eleccións ao Parlamento de Galicia. O verdadeiro desembarco protagonizouno a cúpula do PPdeG cunha rechamante ausencia, a do seu líder e candidato, Alberto Núñez Feijóo, a quen lle cadraba estar dando mitins en Bos Aires -na altura o voto exterior aínda podía mover escanos-. A delegación dos populares encabezábaa o seu secretario xeral e xefe de campaña, Alfonso Rueda. Xunto a el, cargos de primeira liña como Ana Pastor e Carlos Negreira. Tamén Corina Porro ou Ignacio López-Chaves.Aquela manifestación, secundada por entre 3.000 e 5.000 persoas, segundo sinalara a Delegación do Goberno en Galicia -a organización falou de "decenas de miles"- estivera salferida de incidentes derivados de contraconvocatorias para boicoteala. Algunhas das persoas que apostaran polo boicot guindaran pedras e botellas de cristal. Outras moitas, no entanto, optaran por ridiculizar os organizadores con diferentes parodias a modo de espello. Unhas e outras foran obxecto dunha férrea marcaxe policial, o mesmo que parte da prensa que informaba sobre o evento. Os manifestantes máis exaltados alentaban os antidisturbios na contención dos rebeldes. Era ben guindalos "al mar, como en Chile", berrou un deles.Contra o consenso logrado en tempos de FragaOs argumentos do apoio do PP a esta mobilización viñeran sendo desenvolvidos polo propio Feijóo nos meses anteriores. O actual presidente da Xunta aseguraba daquela "poder dicir sen medo" que "en Galicia temos enriba da mesa un conflito lingüístico sen precedentes, creado dende o propio Goberno". Por iso, clamaba, cumpría "desideoloxizar" e "despolitizar". Para facelo, prometía, ía derrogar o decreto que dende 2007 regulaba o uso das linguas no ensino. Promovía, afirmaba, a "imposición". Un modelo "monolingüe" (en galego).Tras chegar a anunciar un acordo sobre o novo decreto, o PP desmarcouse da norma que aplicaba literalmente o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no ano 2004En realidade o PP non sempre estivera en contra daquela norma. Apenas un ano antes da manifestación, en febreiro de 2007, os populares sentaran ante a prensa na mesma mesa que a daquela conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, para anunciar xunto a PSdeG e BNG que viñan de acordar por unanimidade o novo decreto do galego no ensino. Ou, o que era o mesmo, para desenvolver no eido escolar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, un "instrumento esencial para avanzar na promoción da lingua galega", en verbas da representante popular nas negociacións, Manuela López Besteiro, que o Parlamento aprobara por unanimidade en 2004. Efectivamente, o texto definitivo do decreto aplicaba o fixado no plan -"que, como mínimo, o alumnado reciba do 50% da súa docencia en galego"- e, adicionalmente, incluía como anexo a transcrición do apartado do PXNL sobre educación. O aprobado por unanimidade en tempos de Fraga aplicábase coa coalición de PSdeG e BNG.Pero aquel consenso durou só uns meses. Onde o PP vía desenvolvemento do PXNL dixo pasar a ver "a porta aberta a un modelo monolingüístico" e á devandita "imposición". Feijóo deu por instaurado o "conflito" e lanzouse ao espallamento de promesas como "una casilla en el sobre de matrícula" do ensino obrigatorio para que as familias do alumnado elixisen o idioma das materias escolares. E, de aí, á manifestación de hai agora dez anos.No mesmo Consello en que Feijóo anunciou a primeira versión do que sería o novo decreto a Xunta aprobou un millón de euros para un informe sobre a fusión das caixas, pero non o fixo público. Todo o mundo ollaba cara á suposta "imposición" do galegoUnha vez pasadas as eleccións, que o PP gañou por maioría absoluta, o presidente e o novo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, anunciaron unha rápida derrogación do decreto. Tras organizaren controvertidas enquisas para as que acabaron precisando axuda dunha empresa externa, o 30 de decembro de 2009 anunciaron un primeiro bosquexo de novo decreto que non aprobarían ata cinco meses despois. Na súa presentación ante os medios Feijóo debullara o que, dixera, era a fin do "modelo monolingüe" e o inicio da era do "plurilingüismo" nas escolas galegas. Naquel mesmo Consello o que a Xunta si aprobara fora destinar un millón de euros a pagar un informe sobre a despois fracasada fusión das caixas, pero non o fixera público. Todo o mundo ollaba cara á suposta fin da presunta "imposición do galego".Dez anos despois a autodenominada Galicia Bilingüe di estar integrada nunha plataforma co pouco sorprendente nome de Hablamos español. Mentres, estudos recentes acreditan que o impacto da mentira lingüística aínda permanece en Galicia. |
NOS_4464 | O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación (Cetmar) presentou en Roma un proxecto europeo "facilitar a adaptación ao cambio climático" na pesca e acuicultura en Europa. | O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, xunto a outras institucións, presentou os resultados do traballo realizado durante catro anos no proxecto europeo ClimeFish para "facilitar a adaptación ao cambio climático" na pesca e acuicultura en Europa segundo explica nun comunicado a Xunta da Galiza. O traballo está exposto desde onte na celebración do Foro Internacional 2020 sobre os Efectos do Cambio Climático na Pesca e na Acuicultura, que ten lugar na sede da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), en Roma. O Cetmar participou no evento cunha sesión de interacción e diálogo entre científicos, representantes da administración e dous dos sectores protagonistas. Ademais presentou unha plataforma que desenvolveu no marco de iniciativa que serve para coñecer e abordar os efectos, riscos e oportunidades relacionadas co cambio climático. Conta tamén con guías para facilitar a adaptación no sector pesqueiro e acuícola. Proxecto participativo Durante o proceso o Cetmar "promoveu a interacción" coa participación de 150 axentes do sector e unhas 20 reunións específicas. Entre eles o sector do mexillón que participou no proxecto xunto ao Centro Tecnolóxico do Mar e o Instituto de Investigacións Mariñas. O proxecto ClimeFish, financiado pola Unión Europea con cinco millóns de euros, desenvolveuse durante 2015 e 2020 cun total de 16 estudos -un deles galego- nos sectores de pesca e acuicultura mariña e continental, que inclúen máis de 25 especies de Europa, Canadá, Chile e Vietnam. |
NOS_8755 | Os pacientes hospitalizados pola Covid-19 no conxunto da Galiza incrementáronse nunha vintena a respecto do día anterior ao situarse en 583. | Segundo os datos actualizados esta terza feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas da segunda, aumentan a 15 as persoas hospitalizadas en UCI pola Covid-19 na Galiza (unha máis que na xornada anterior) e increméntanse a 568 as ingresadas en unidades convencionais (+20), mentres que 11.089 fican en seguimento no seu domicilio. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en seis das sete e unicamente mingua na de Ourense-Verín-O Barco, na que segue un paciente ingresado pola Covid en UCI e descenden a 80 os hospitalizados noutras unidades (-2). Pola contra, na área da Coruña-Cee aumentan a cinco os pacientes en críticos pola Covid-19 (+1) e a 131 os ingresados noutras unidades (+6), mentres que na de Compostela-O Barbanza mantéñense cinco en UCI e soben a 85 os hospitalizados noutras unidades (+7). Sanidade retirará a obrigatoriedade do uso da máscara en interiores a partir do 19 de abril No caso de Pontevedra-O Salnés segue un paciente Covid en UCI e aumentan a 80 os ingresados noutras unidades (+4), mentres que na de Vigo segue un en críticos e hai 92 noutras unidades (+2). Na área de Ferrol continúan dous pacientes ingresados pola Covid en UCI e aumentan a 51 os hospitalizados noutras unidades(+2), e a de Lugo-A Mariña-Monforte mantense como a única da Galiza sen críticos e rexistra 49 noutras unidades (+1). Aumentan os casos activos Tras o descenso dos casos activos da xornada anterior, volven aumentar segundo avanza a Semana Santa ao situarse en 11.672, que supoñen 166 máis, ao haber máis contaxios (1.206) que altas (1.032), ao que se suman oito falecementos. Con máis infeccións activas continúa a área da Coruña, con 2.190; seguida de Vigo, con 2.186; Compostela, con 1.795; Lugo, con 1.659; Ourense, con 1.469; Pontevedra, con 1.289, e Ferrol, con 1.070. Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade esta pasada sexta feira, 8 de abril, adaptado ao novo sistema de vixilancia da Covid-19 centrado en poboación vulnerábel, a incidencia acumulada a 14 días no país en maiores de 60 anos sitúase en 775,53 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media estatal baixa a 420,17. Así é o novo protocolo de vixilancia da Covid-19 Máis contaxios Os novos contaxios ascenden a 1.206, que supoñen medio milleiro de novos casos abertos nas últimas 24 horas após os 698 cos que arrincou esta semana. En canto á taxa de positividade —número de PCR positivas por cada cen realizadas— aumenta a 24,8%, tras comezar esta semana en 21,57%. Así, fica por riba do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia. Vítimas e curados As vítimas da pandemia pola Covid-19 na Galiza aumentan a 3.262, logo de notificar Sanidade esta terza feira outros oito falecementos rexistrados en tres xornadas pasadas, todos de persoas con patoloxías previas. Mentres, 546.184 persoas curáronse da Covid-19 desde o inicio desta crise sanitaria, despois de recibir a alta outras 1.032 na última xornada no país. |
NOS_535 | O grupo de proxenitores do alumnado compostelán, que puntualiza que esta semana a cadea asegurou que ingresaría os cartos ao longo deste mes, leva reclamando o diñeiro do sinal desde abril. A situación sanitaria obrigou a manter fechado o hospedaxe e as crianzas non puideron gozar da excursión. Saben, ademais, que nun colexio de Bertamiráns estanse atopando con problemas similares. | Un grupo de estudantes e nais e pais do CEIP Ramón Cabanillas de Compostela acusa á Estación de Montaña de Manzaneda, xestionada polo grupo Oca Hotels conxuntamente coa hospedaxe da infraestrutura, de adiar sin razón aparente a devolución duns cartos que adiantaron a modo de sinal para a excursión de fin de curso do ano pasado. Levan pelexando desde abril pola devolución de 1.311 euros e, malia que puntualizan que esta semana responsábeis de Oca Manzaneda chamaron para comprometerse a pagar ao longo deste setembro, xa non cren na palabra da empresa. "Nós sabiamos que se non ían perdíamos o diñeiro da reserva, pero ao estar a estación fechada tanto pola súa parte como pola nosa foi imposíbel ir", explica Silvia Bouzón sobre o desencontro. Se ben é certo que eses 1.311 euros perdíanse se a rapazada non facía a viaxe, o certo é que a situación da pandemia e o confinamento mudou as circunstancias de todo. Neste sentido, comenta que o hotel non estaba traballando polo que a culpa final de non acudir non reside nas persoas que fixeron as reservas, porque o estabelecemento non estaba dispoñíbel para acudir (e, en todo caso, a situación sanitaria tampouco o permitiría). Por iso, entenden que os cartos correspóndenlles de volta ás familias. "De feito, en ningún momento dixeron que non nos correspondía, desde o primeiro momento dixéronnos que nos ían devolver os cartos", engade. Pero mes a mes fóronse atopando con distintas desculpas. Diferentes desculpas "Primeiro pedíronnos que, por favor, agardásemos porque estaban a reanudar a actividade e, como as cousas estaban difíciles, dixemos que si; o segundo mes pedíronnos un pouco máis de paciencia; en xuño aseguraron que pagaban en xullo e, en agosto, o director xeral de Oca Hoteles díxonos que non tiñan control na tesourería da estación", enumera Bouzón. Con estes antecedentes teñen a sensación de que o grupo está atrasando a devolución porque en breve remata a súa concesión á fronte do complexo e non concorren ao novo concurso. Deste xeito evitarían o pago ás 44 familias. "Non é moito diñeiro pero é noso", puntualiza a nai, que di que ante un negocio familiar terían maior comprensión pero non cun grupo que non deixa de crecer. Malia que non acudiron ás institucións públicas, recordan que o consello de administración da propietaria da estación está formado pola Xunta, a Deputación e varios concellos do entorno. Por iso pídenlles que vixíen ás concesionarias.Agora agardan o reembolso que Oca Manzaneda comprometeu esta semana para setembro, mais fan a denuncia porque xa non se fían. Ademais, saben doutro colexio de Bertamiráns que está a ter problemas por unha excursión ao mesmo complexo. |
PRAZA_9792 | Implicada, valente, contestataria. Carmen Avendaño non para. Nacida no barrio obreiro vigués do Calvario hai 73 anos e ligada aos movementos veciñais e sociais desde moza, cansou de ver morrer unha xeración a seu redor ante a indolencia dos poderes públicos. A piques de ser bisavoa, a súa axenda está repleta de ocasións para "crear estado de opinión e dar a alarma do que segue pasando e como evitalo". | Implicada, valente, contestataria. Carmen Avendaño non para. Nacida no barrio obreiro vigués do Calvario hai 73 anos, e ligada aos movementos veciñais e sociais desde moza, cansou de ver morrer unha xeración a seu redor ante a indolencia dos poderes públicos. A súa determinación e a de tantas "nais contra a droga" está detrás do ocaso dos grandes narcotraficantes galegos dos anos 80. A piques de ser bisavoa, Avendaño segue a dar conferencias alá onde a chamen e a súa axenda está repleta de ocasións para "crear estado de opinión, e dar a alarma do que segue a pasar e como evitalo". As circunstancias da vida levárona a investigar e aprender ata chegar a se converter nunha autoridade na loita contra as drogas e na defensa da reinserción. Hai 33 anos fundou a asociación Érguete á que logo sumou a fundación, porque "todo o mundo merece unha segunda oportunidade, e ás veces, moitas máis". Ultimamente asistimos ao éxito das series televisivas como Narcos ou Fariña, cos grandes capos do narcotráfico como protagonistas, algo sobre o que vostede é toda unha experta aínda que non fose por vontade propia. Como explica o apoxeo do narcotráfico na Galicia dos 80?O diñeiro fácil, normalmente, é para xente que non ten escrúpulos. Galicia sempre foi moi maltratada e déronse varias circunstancias: houbo unha forte emigración a América, para que as familias puideran sobrevivir, despois houbo outra época cando se marchaban a Europa; logo comezaron co tema do tabaco e despois a reconversión noutras cousas que en principio foi a marihuana. Eu non xustifico en absoluto, pero creo que Galicia era un caldo de cultivo para poder facer ese tipo de prácticas. O xefes contrataban homes da contorna que lles estaban moi agradecidos porque nunha noite de descarga ao mellor gañaban o mesmo que traballando na construción un mes. Sempre hai que explicar os porqués: primeiro a emigración, os medios da ría que son idóneos e por suposto a carencia de perspectivas laborais que había. Nós cando demos guerra nunca iamos contra os mariñeiros, sempre contra a cabeza da organización porque os mariñeiros arriscaban, e moito, porque a xustiza ía contra eles con máis rigor, para manter as súas familias. Polo tanto, quero deixar claro que unha cousa é o narco como tal, que son uns personaxes que todos coñecemos, e outra é a man de obra da que se aproveitaban os propios narcos, polas carencias que había.En Fariña puidemos puidemos ver as flagrantes relacións que había entre os narcos e os gobernantes daquela. Vostede ten constancia desas relacións?Si. Está superclaro, e os máis beneficiados desas relacións eran os do Partido Popular. Non quero dicir que non houbera doutros partidos, pero en xeral eran máis os de sempre porque o contrabando estaba moi tomado por xente que despois se reconverteu. Esa xente daquela gañábase a vida coas descargas de tabaco. Os grandes eran como benefactores da sociedade e aos outros dábanlles os seus bos soldos para manter as súas familias.Todo é complexo pero ten unha razón. E financiaban os partidos políticos, claro. Tivo moita incidencia. Era lamentable ver como saía á rúa xente que tiñas identificada como narcotraficante con bandeiras españolas dicindo "gañaron os nosos". Os máis visibles eran os de dereitas, o que non quere dicir que non houbese doutros partidos."Era lamentable ver como saía á rúa xente que tiñas identificada como narcotraficante con bandeiras españolas dicindo "gañaron os nosos". Os máis visibles eran os de dereitas, o que non quere dicir que non houbese doutros partidos"O propio presidente da Xunta ten unhas fotos co narcotraficante Marcial Dorado.Si, e non as utilizamos demasiado, puidemos, pero non o fixemos. Cando saíron as fotos nós non fixemos un pronunciamento de crítica, porque non queremos desacreditar as forzas políticas. Iso é un desprestixio, é algo malo para a propia sociedade. Levabamos moitos anos loitando. Cando fomos a Madrid, anos antes, dixémoslle a Aznar, que aínda non gobernaba, hai 30 anos: "ollo que tedes xente no partido que está no tema" e vai el, que era parvo, e nos solta os nomes de tres alcaldes da provincia de Pontevedra, deunos os nomes, todos de concellos pequenos. O narcotráfico sempre se vai achegar ao poder, por interese. Aquí estaban financiando os partidos políticos e o máis financiado era o PP, pero todos estiveron. E era algo que se sabía. Nós nos somos parvos.Afortunadamente son tempos pasados.Aínda colean, pero á xente tamén lle serviu para abrir os ollos e darse de conta do dano que se estaba facendo. Digo os asalariados. Moitos de nós vimos como os nosos fillos caían no mundo do consumo. Iso foi creando un estado de opinión que non ten nada que ver co que que había entón, nos anos 80, cando ías xunto aos chavales e lle preguntabas polo tema e dicían: "de puta madre, eu quero entrar para comprar unha moto grande". A atracción do diñeiro daba poder e daba caché dalgunha maneira. Ata que se foi demostrando o que estaba pasando. Dalgunha maneira os propios contrabandistas déronse de conta da situación. Estou segura de que moitos deles tiveron e padeceron nas súas propias familias o problema. O interese económico quedou un pouco secundado e hoxe hai moita máis conciencia social desde o meu punto de vista. De feito, as descargas non se fan por Galicia agora. Veñen por Andalucía, soben por Portugal e despois si que se distribúen desde aquí para Europa. Pero cambiou o sistema porque lle faltou man de obra. Creouse moito estado de opinión. Escenificar foi difícil. Cando se creou a asociación hai xa 33 anos unha das cousas que perseguiamos era a concienciación. Creo que temos acadado unha conciencia social moi diferente e fomos un exemplo a través da política e da policía, que se viron obrigados a tomar medidas e lexislar dunha maneira máis seria o tema.Había que adaptar a lexislación á nova realidade co problema evidente do narcotráfico.Cando xa estabamos en plena virulencia, nós reunímonos con todos os líderes políticos. Xusto antes de saír o novo código penal falamos con Aznar, que aínda non gobernaba, con Felipe González e Anguita. Había cousas moi sorpresivas. Lembro que fomos un día falar co delegado de Facenda en Galicia para dicir que como era posible que non houbera investigacións económicas sobre o patrimonio desta xente e dixo que el non podía facer nada, que só controlaba as nóminas. Todos se eximían de responsabilidades. Pero ao final logramos que o novo código recollese embargo de bens, condenas máis endurecidas para o narcotraficante, non para o que trapichea con dúas papelinas, os rexistros bancarios, etc. É dicir, moita da lexislación que vén contemplada posteriormente no código penal recolle moitas das propostas que nós lles fixemos chegar persoalmente a todos os partidos políticos que estaban no Parlamento. Tivemos unha influencia moi forte nese aspecto e unha influencia real na sociedade."Logramos que o novo código penal recollera embargo de bens, condenas máis endurecidas para o narcotraficante, non para o que trapichea, os rexistros bancarios, etc."Vén de gañar no xulgado a Laureano Oubiña, que considerou lesionada a súa honra por vostede... Son moitas vitorias contra o narcotráfico na súa vida. Iso foi unha chorrada. Vai ti saber onde tiña a honra. Eu non dixen o que el denunciou, porque eu só dixen que se dedicaba ao contrabando de tabaco e "a outras cousas". Non dixen a haxix, marihuana nin coca. Pois me puxo a denuncia, pero o xuízo se disolveu porque se viu que non había nada. O tempo pon a cada un no seu lugar e tamén lle dixen que tivera coidado porque se chuleou no xuízo de que tiña un fillo que fumaba porros pero non consumía outras cousas e iso é moi grave, porque non pode facer apoloxía nunha sala. Díxenlle que tivese coidado porque o máis probable é que lle estivera a consumir coca. Pero moitas veces a propia ignorancia fai falar de máis e se tes diñeiro, peor.Considérase un símbolo da loita contra o narcotráfico?Eu só son a voz. Pero é todo o movemento asociativo. Todo a xente que formamos a xunta directiva xa morreu. Foron morrendo, pero de súpeto. Iso é algo que teño moi gravado e tratarei de que investiguen que o sufrimento tamén mata. Morren fillos, pais e nais. Eu teño cinco fillos e tiven dous con problemas de drogas. Afortunadamente nin teñen sida, nin tiveron hepatite, e deixaron as drogas, polo que son unha afortunada. Pero morreron moitos e iso produce moitísima dor, ver como van morrendo todos a idades moi temperás.Foi a cabeza visible dunha loita que libraron as nais dos rapaces que se enganchaban ás drogas sen que aos poderes públicos parecese importarlle. Visibilizaron ese problema. Como recorda eses anos de loita? "Eu non son ningunha heroína. Tocoume ser a portavoz dun grupo que quería demostrar á sociedade o que estaba ocorrendo, porque isto de que te tacharan de familia desestruturada, de pais deixados, de nenos abandonados non podías consentilo"Antes os que consumían drogas estaban na rúa, en grupos, e daban esa imaxe de desestruturados, de familia desarraigada, etc. Pero a realidade veu demostrando que os pobres non son os máis afectados por este problema. Todo iso foi cambiando polo traballo que fixemos. Eu cheguei a ter ameazas serias. E dúas veces cortaron os freos do meu coche. Unha vez vindo de Pontevedra co meu pai, na baixada ao chegar a Arcade decateime de que non funcionaban os freos. Tiven a sorte de darme de conta e deixei o coche ir morrendo na subida. Fomos ao taller e dixeron que me cortaran os freos e meu pai, nerviosísimo, dicía que había que ir á Policía pero non quixen, porque non ían facer caso. Outra vez xa vin que volveran cortar os freos, pero xa non andei porque desde o primeiro susto sempre o comprobaba antes de movelo. Ameazas verbais sempre houbo, pero eu por min non tiña medo. Polos meus fillos si. É máis, non quería ir soa con eles no coche, porque tiña medo que lles fixesen algo. Pero a cousa quedou alí, tamén porque creamos un clima de opinión pouco a pouco na súa contra. Ademais, eu xa era unha persoa moi coñecida, xa viña dos movementos sociais anteriores, da loita contra o Franquismo. Eles sabían que se a min me pasaba non ía quedar aí a cousa e non porque eu sexa moi guapa, senón porque fun moi comprometida toda a miña vida e toda a xente demócrata desta cidade coñecía e coñece. Entón, eu creo que chegou un momento que tiñan medo á reacción da sociedade, non porque non tivesen ganas, que seguro que tiñan. Eu non son ningunha heroína. Tocoume ser a portavoz dun grupo que quería demostrar á sociedade o que estaba ocorrendo, porque iso de que te tacharan de familia desestruturada, de pais deixados, de nenos abandonados non podías consentilo.É a voz e tamén a presidenta de Érguete, unha institución moi recoñecida, que beneficiou a máis de 4.000 persoas en integración e case 2.000 en formación durante 2018. As persoas temos cualidades e a min tocoume o papel de comunicadora porque sempre fun unha muller moi implicada. Xa de solteira era unha muller moi contestataria co meu pai, con todo o mundo. Pero non teño máis importancia que outros. O que son é traballadora. Hoxe, entre a asociación e a fundación temos 100 traballadores, a maioría mulleres, e traballamos a reinserción como creo que hai moi poucas asociacións que a traballan en España. A reinserción desde xente que está en prisión con largas condenas cumpridas, que os formas, que os traballas en prisión e despois veñen a formación laboral, que nos axuda a caixa catalá moito niso e temos un 70% de reinsercións laborais. O traballo que se realiza é moi serio. E xa non son eu. Eu o único mérito que teño é que souben elixir os equipos, pero o resto do traballo fano eles.O que comezou como una asociación hai 33 anos para reinserción agora tamén conta cunha fundación que este ano cumpre 20 anos.A fundación naceu pola necesidade de formar a esta xente que comeza nas drogas moi nova e que cando conseguimos que saian non teñen estudos. E que facemos con eles? Pois haberá que formalos. Temos unha profesora constantemente e a aula está chea de xente que tivo problemas de drogas e que non. Xente que está en exclusión ou camiño dela. Entón prodúcese unha cuestión fundamental, que é a solidariedade entre o grupo de persoas. Unha muller maltratada, un home de 50 anos que quedou no paro, un chaval que pasou anos no cárcere, por exemplo. Se xuntas ao grupo a traxedia é compartida. A solidariedade é o que move o mundo. A asociación é para seguimento, autoestima, para a parte xurídica, con dous avogados desde hai 30 anos connosco. Todo o mundo merece unha segunda oportunidade e ás veces moitas máis. E a fundación é para dar formación, para que puidesen ter os estudos para acceder ao mundo laboral e ao mesmo tempo para que se normalizara a relación entre empresarios porque ao principio se sabían que os posibles traballadores tiveran problemas xa non os querían, pero en cambio agora chaman e as prácticas xa as van facer ás propias empresas.Aínda que os datos oficiais non poden confirmalo, nas rúas lévase detectando desde finais de 2017 un repunte no consumo de heroína. Están a notar esa alza na asociación?-Si, iso é un perigo. Estamos a notalo e ademais con xente moi nova. Na miña opinión este repunte non vai ser tan dramático como foi no seu momento. En primeiro lugar porque as familias están máis informadas, se hai unha conduta irregular poden detectala antes. Nós daquela non sabiamos se era pola idade, a adolescencia... pero agora a xente sabe que pode haber detrás un problema. E despois hai outro feito que tamén é interesante, agora os mozos que se inician cando comezan a perder o control piden axuda. Iso quere dicir que por sobredose morre menos xente. Ademais, as xiringas xa non se comparten, o VIH está paralizado porque a xente usa preservativos. Todo iso foi xurdindo xunto coas mensaxes e foi callando. A min dáme moita mágoa ver que aínda hai xente que se inicia, pero tamén vexo que se retira moito antes. Non se vai producir aquela traxedia de centos de mortos como houbo. O coñecemento vai frear máis o tema, pero é unha forma de evasión que os mozos por curiosidade seguen a probar, claro. Non teño datos estadísticos pero a nivel social mellorouse. Hai unha percepción de moito máis coñecemento agora do que había hai 30 anos, afortunadamente."Creo que haberá que terminar legalizando o cánnabis"Que cambios a nivel legal cre que urxen actualmente no ámbito do consumo ou venta de drogas?Creo que haberá que terminar legalizando o cánnabis. Eu sempre estiven en contra e cada vez teño máis dúbidas. É menos daniño có alcol. Falo de excesos, claro. Porque agora ves os rapaces aos sábados tirados por aí e é por consumo de alcol e esas pastillas que non saben nin que son. Creo que hai que educar no consumo responsable e creo que a marihuana se imporá no comercio de vicios que xa existe como é o tabaco e o alcol. A min paréceme desmedido que lle poidan meter cárcere a un chaval por repartir un porro. Francamente, é desmedido. Eu creo que sempre vai haber vicios. Oxalá que os mozos non bebesen, que o fixeran só de maiores pero sen excesos. Pero a sociedade ten vicios e o cánnabis vaise xeralizar. A min preocúpame moito a falta de control nos mozos. Debe ser que xa me estou facendo avoa porque os luns vexo sempre os sucesos e sempre hai mortes de mozos en accidentes de coche e a maioría delas son por consumo de drogas ou alcol e iso preocúpame moito, porque aí non creamos a suficiente conciencia social.Afiliada ao PSOE de sempre, partido co que foi concelleira, como está a ver a deriva política en España? Preocúpaa o xurdimento de partidos como Vox?Entra dentro do que está ocorrendo en Europa que me leva moito tempo preocupando. Está habendo unha formación de dereitas que aquí aínda non ten moito impacto pero en Europa, ollo. A extrema dereita está a consolidarse dunha forma grave e eu teño a impresión de que a sociedade en xeral non está a decatarse desta dereitización. Preocúpame o tema porque está moi estendido, pero non sei que vai pasar. Xa están en Andalucía, que sempre foi de esquerdas e vámolos ter en todos sitios. Non gobernando con maioría, pero aí metidos amolando si, e iso dá moito medo. Como o presidente dos Estados Unidos, que non para de dicir barbaridades. A sociedade ten que comezar a reaccionar e transmitir a preocupación, porque forma parte tamén da concienciación. A responsabilidade non pode ser dos medios, que moitas veces están supeditados a subvencións e outras cousas. A sociedade debería reaccionar moito máis e, pola contra, déixase arrastrar. Toda a vida fomos emigrantes e agora nos rasgamos as vestiduras porque veñen inmigrantes. E que van facer, morrer de fame? A sociedade é moi egoísta e moi individualista. É sorprendente a cantidade de xente moza que é carca."A sociedade é moi egoísta e moi individualista. É sorprendente a cantidade de xente moza que é carca" Falemos de algo máis positivo: como conselleira do Celta, acaba de gañar outra pequena ou grande batalla, pois xa se está a falar da creación do equipo feminino. Foi difícil convencer á xunta directiva?A verdade é que aí non teño moito mérito. Eu xa o propuxera dúas veces e houbo unha actitude virulenta, polo que non o volvín propor máis. Pero aí quen ten o protagonismo é o presidente, que ten dado moita cabida as mulleres nos postos directivos. Eu estou encantada co equipo feminino e as sigo, son bravas. Responde un pouco a toda a corrente de igualdade que está circulando. Evidentemente non acadamos aínda os teitos de igualdade, pero xa nos estamos impoñendo moito máis. Afortunadamente, as mulleres perdemos o complexo, porque antes xa estaban educadas de forma machista. Eu son a maior de 10 irmáns e as cinco primeiras fomos mulleres e sempre fun moi contestataria. |
NOS_37063 | Máis de 400 ameazas a través de Twitter. Esta foi a xustificación que ofreceu o ministro español de Interior, Jorge Fernández Díaz, en relación á súa recente reunión con Rodrigo Rato. A intervención de Fernández Díaz no Congreso provocou unha grande indignación. | Logo da polémica xurdida pola reunión que mantivo o ministro español de Interior con Rato, Fernández Díaz escúdase. Non considera esta xuntanza reprochábel "nin legal nin eticamente" e xustifícaa nunhas supostas ameazas ao ex vicepresidente imputado no "caso Bankia". Segundo o ministro español, nesta reunión non se falaría de máis nada. "Foi atacado e increpado e recibiu repetidas ameazas, especialmente nas redes sociais: máis de 400 mensaxes ameazadoras en Twitter", sinalou Fernández Díaz no Congreso, unha xustificación que provocou unha forte indignación entre os grupos da oposición, que solicitaron a súa dimisión inmediata polo que consideran unha escusa "absurda", "irresponsábel", "escandalosa" e "unha milonga". Houbo quen foi máis alá e pediulle responsabilidades ao presidente do Goberno español, Mariano Rajoy. O ministro español aproveitou a súa comparecencia no Congreso para criticar o proceso independentista de Cataluña. Fernández Díaz apelou as formacións soberanistas catalás a seren prudentes, a respectar a lei e o Estado de dereito. |
NOS_9901 | 'Un verán en Galeusca' é un proxecto feito, por segundo ano consecutivo, entre VilaWeb, Berria e Nós Diario. A serie consta de doce relatos curtos, escritos por Mercè Ibarz, Biel Mesquida, Belio Zaballa, Esperança Camps, Danele Sarriugarte, Jimu Iturralde, Goaitz Labandibar, Unai Elorriaga, Emma Pedreira, Marica Campo, Séchu Sende e Daniel Asorey. Todos os relatos aparecerán ao longo do verán nos tres medios. | Odia que morreu Aurora, a vizinha do 1º A, alguém dixo: E que fazemos com o seu corvo? Ali estava, com umha tristeza de corvo, a olhar o horizonte pola janela. Trouxem o corvo para a minha casae a primeira noite contagiou-me umha dor de penas negras.Morreu Aurora, dixem-lhe.Sinto-o muito, dixem-lhe.Era umha boa mulher, dixem-lhe,Esta é a tua casa, dixem-lhe,Boa noite, dixem-lhe.E ele dixo Boa morte, e fechou os olhos. Era um corvo que falava.E fiquei olhando para ele, grande e engrunhado, triste. O segundo dia deu-me o bom dia.Bom dia, bom dia, dixo em voz baixa.E Boa morte, dixo outra vez, à noite.Passou o dia em silêncio. Telefonei a sua filha.-Sim, fai-me companhia, dixem.-Sim, quando era pequeno tivem um canário.-Sim, seguro, nom é nengum problema.-Sim, acompanha...-Agora está um pouco triste, normal.-A propósito, como se chama?O corvo chamava-se Voz.Voz. O terceiro dia quando entrei na cozinha o corvo dixo-me: Quero umha estrela.Como?, perguntei, Umha que?Umha estrela, umha estrela, repetiu. Parecia um corvo velho,eu levava dez anos a viver no prédio,o corvo já morava ali quando chegueiAo seguinte dia saudei-no, Bom dia.E ele dixo-me Coraçom.Ou isso foi o que entendim. Coraçom, coraçom. Repetiu.Corrim as cortinas, entrou a luz. Comecei a escrever as palavras do corvo num caderno azul.As palavras do corvo.Cada vez que falava surpreendia-me.Suponho que se fosse um corvo que tivesse crescido num bar, numha taberna, diria outras cousas.Mas aquele corvo era o corvo de Aurora e Aurora era umha mulher que sempre levava um livro na mao. Convidei a filha de Aurora a um café.Ela pediu-me acompanhá-la ao apartamento de Aurora.Luzia. Entramos juntos e perguntou-se: Quantos livros haverá aqui?A biblioteca ocupava-o todo.Também havia livros pendurados do teito, como morcegos. A maioria dos livros som de poesia, dixo Luzia.-Gostava muito de ler, dixo.-O corvo às vezes di cousas… dixem em voz baixa.-Ela lia sempre em voz alta. Podia ler durante horas. Em voz alta.-O corvo às vezes di cousas, repetim.-Quando era pequena fechava os olhos e ouvia-a e gostava de sentir cousas que nunca mais sentim.-O corvo… Voz, Voz cada dia fala mais, dixem.-Levava com ela muito tempo, mais de 20 anos.-Agora fala muito, e di cousas estranhas.-Cousas estranhas? -Desde que chegou à casa nom deixa de dizer cousas estranhas.- Será poesia, dixo Luzia. -Toma, seguro que a bota de menos, dixo-me Luzia, a poesia.Fixo assim com a mao, apanhou dous livros do sofá e entregou-mos. Eram dous livros de poesia, claro."Diários de prisom" de Ho Chi Ming e Uxío Novoneyra. Lembro que o corvo gostou muito dos "Diários de prisom",ficou em silêncio ouvindo atentamente as minhas palavras.É um livrinho pequeno.Também eu gostei de lê-lo e ouvir assim a minha voz,com essas palavras traduzidas do Vietname.Logo Voz puxo-se a falar.E eu abrim o caderno azul e escrevim. Eu continuei a escrever as palavras do corvo.Quando chegava do trabalho,buscava tempo para poder ler os livros que me deixava Luzia.Pouco a pouco, a minha casa foi-se enchendo de livrose o caderno de Voz, de palavras. -A minha mai teria gostadode saber que os seus livros venhem para aqui,dixo um dia Luzia. Eu passava horas lendo em voz alta,no sofá,com Voz pousado no meu ombro.Às vezes ele ficava dormido assim,aconchegado a mim, cabeça contra cabeça. Às vezes vou à livraria do bairroe apanho algum livro de poesia.Hoje, por exemplo,lim com Voz um livro de Lupe Gómeze outro de Charo Lopes. Nalgum momento pensei em passar a limpo as palavras de Voz,pôr-lhes um títuloe enviar o livro a um prémio literário ou a umha editorial. Cada vez gosto mais do seu estilo...De feito, continuo a pensá-lo.Polo que estou a ver,e depois de ler poesia durante todo este tempo,a poesia de Vozé mais interessante que alguns dos livros de poesia que conheço. Seguramente Voz ganhassealgum prémio importante,quem o veria!Um corvo!Um corvo, voz principal da literatura atual. Umm...Mesmo poderia ganhar o prémio ao autor do ano...E depois, com sorte, chegariam as traduçons e seria um fenómeno mundial...Umm...Desde que leio poesia tenho muita imaginaçome emociono-me com qualquer cousa. Mas gosto de sonhar que um corvo entra na história da literatura. Algum dia comentarei-lho a Luzia,ainda que nom me atrevo.Também nom me atrevo a dizer-lhe que a quero.Às vezes ela fica connosco e lemos poesia juntos.E logo ouvimos a Voz,que sempre tem vontade de falar depois de um bom livro. -Agora-me para sempre!-Agora-me para sempre! exclamou hoje Voz,antes de fechar os olhos e ficar dormido entre a cabeça de Luzia e a minha. Luzia repetiu Agora-me para sempre.E eu escrevim no livro de poesia de Voz:Agora-me para sempre. Luzia suspirou.Fomos para a cama juntos.A poesia mudou a minha vida.Amanhá será outro dia.Sempre. Esta peza publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa. |
PRAZA_21072 | O mérito xurídico desta normativa é acadar unha interpretación constitucional-estatutaria conforme coa nova normativa, como esixe a acaída interpretación constitucional. E o mérito político é un amplísimo pacto político que só deixa fóra aos extremistas que refugan os nosos dereitos lingüísticos, culturais, políticos e económicos | Pois si. A cidade galega con máis persoas galegofalantes (en termos absolutos, porcentualmente Lugo, Ourense e Compostela melloran os seus números) xa ten aprobado inicialmente unha normativa municipal de seu a prol do galego, na vía de amañarmos a desfeita galegófoba de Paco Vázquez.O galego, como lingua propia e oficial do noso País, será a lingua de uso normal e preferente na administración, sinaléctica, comunicación e publicidade do concello coruñes e de todas as súa axencias, fundacións e empresas públicasO xeito coruñés de facer as cousas, desta volta, semella ben acaído porque non houbo ningún partido a contra. Votaron a prol 17 das 27 persoas concelleiras (PSdeG, BNG, Marea Atlántica e as dúas non adscritas) e abstivéronse os 10 representantes do PP.Os representantes do pobo da Coruña, ben abeirados nun moi potente informe xurídico da UDC, asinado polos profesores Carlos Aymerich e Carlos Amoedo (Dº Administrativo) e Francisco Caamaño (Dº Constitucional), desbotaban a limitada tendenciosidade manifestada nas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG, 2016 e do Tribunal Supremo(TS, 2019) que anularon algúns artigos da Ordenanza municipal de uso do galego do concello lugués de 2012 que agora recupera substancialmente a normativa coruñesaDeste xeito, o galego, como lingua propia e oficial do noso País, será a lingua de uso normal e preferente na administración, sinaléctica, comunicación e publicidade do concello coruñes e de todas as súa axencias, fundacións e empresas públicas. Tamén das súas empresas privadas concesionarias de servizos públicos e contratistas, malia que sexan árabes ou chinesas de orixe. O galego será a lingua normal de uso coa cidadanía, de non ser que ésta, no seu lexítimo dereito, opte polo uso do castelán nas notificacións no seu concreto asunto. Por suposto, tendo en conta a vocación turística da Coruña, usarase na publicidade cando cumpra, a outra lingua cooficial-o castelán- canda outras non oficiais, como o inglés. O mérito xurídico desta normativa é acadar unha interpretación constitucional-estatutaria conforme coa nova normativa, como esixe a acaída interpretación constitucional. E o mérito político é un amplísimo pacto político que só deixa fóra aos extremistas que refugan os nosos dereitos lingüísticos, culturais, políticos e económicosO mérito xurídico desta normativa é acadar unha interpretación constitucional-estatutaria conforme coa nova normativa, como esixe a acaída interpretación constitucional. E o mérito político é un amplísimo pacto político que só deixa fóra aos extremistas que refugan os nosos dereitos lingüísticos, culturais, políticos e económicos. Para máis, amosando posíbel unha resposta do PSdeG que rexeita a cativa herdanza de Paco Vázquez e apártase da frivolidade cosmopailanista do alcalde vigués Abel Caballero, sendo quen de consensuar co BNG uns parámetros estábeis que definen a praxe posíbel lingüística e cultural do concello coruñes para os vindeiros 15-20 anos.Agora cómpre levar este pulo á sociedade civil, empresa, deporte e cultura coruñesas para reconciliar de vez a cidade da Coruña (refundada no 1208 polo mellor rei da Galicia, Afonso VIII) coa lingua propia do País do que sempre quixo ser garda, chave e forza. |
NOS_41852 | A Fundación Carlos Casares organiza entre os días 2 e 4 de setembro un encontro no Museo Marco de Vigo que ten o mundo do videoxogos e da literatura como protagonistas, recoñecemento de que unha industria non poucas veces feita de menos comeza a obter recoñecemento, en parte grazas ás narrativas destes catro xogos: | A Fundación Carlos Casares organiza entre os días 2 e 4 de setembro un encontro no Museo Marco de Vigo que ten o mundo do videoxogos e da literatura como protagonistas, recoñecemento de que unha industria non poucas veces feita de menos comeza a obter recoñecemento, en parte grazas ás narrativas destes catro xogos: Red Read Redemption 2 Paradigma das novas narrativas nos videoxogos, o que aparentemente pode ser non máis que un videoxogo de cowboys conta unha historia sobre peces fóra da auga nun mundo que non existe, que se desfai ante os seus ollos, ao mesmo tempo que introduce un crisol de personaxes secundarios que non ten nada que envexar ás mellores novelas de Galdós. Metal Gear Solid 3 Para moita xente o cumio da carreira do mestre xaponés Hideo Kojima. Este adaptou as linguaxes cinematográficas ao videoxogo, narrando as aventuras nos tempos da Guerra Fría do super soldado Naked Snake ao mesmo tempo que introduce unhas implicacións éticas que levará ao xogador a preguntarse se está do lado correcto, e máis se coñece o pasado e o futuro dunha saga que alcanzou as cinco entregas. The Last of Us Aparentemente pode ser un xogo máis sobre "a fin do mundo" ou a apocalipse zombie, pero a evolución psicolóxica de todas as personaxes implicadas no xogo -especialmente as protagonistas Ellie e Joe- están reflectidas dun modo que opaca a mellor das novelas contemporáneas. Alan Wake Un dos videoxogos máis incomprendidos do seu tempo é este produto exclusivo de XBOX 360 que conta a historia de Alan Wake, un escritor, a través dun thriller psicolóxico que leva ao xogador á pequena vila de Bright Falls, onde trata de atopar a inspiración xunto coa súa esposa, que axiña desaparece nun pesadelo cada vez máis real. |
NOS_30815 | Margarita Ledo Andión presenta a cuarta feira en Cineuropa (Compostela) a súa cuarta película, 'Nación', un filme-ensaio que vira sobre a experiencia e a loita das traballadoras da Pontesa (Pontevedra). | De insignia da modernidade na produción de louza, a fábrica Alfares da Pontesa (parroquia de Ponte Sampaio, no concello de Pontevedra) deixaba co seu feche en 2001, logo da creba do Grupo Álvarez, centos de homes e mulleres na rúa, con salarios e indemnizacións sen pagar. A inmobiliaria Subel adquiriu parte dos seus terreos, mais imcumpriu os acordos co persoal, que lle reclama desde entón aínda 2,5 millóns de euros. Sobre estes feitos tece Nación, o último filme de Margarita Ledo Andión, o seu modo de traer á tona a historia velada das mulleres, neste caso no sector industrial. "Apagando a escuridade dos meus dedos", segundo un dos versos do poema de Eva Veiga, recitado por ela mesma, que abre a película. Porén, Ledo confesa que xa traballaba en Nación antes de dar coas traballadoras de Pontesa, coa idea de compilar como se tiña filmado a Galiza, influída probabelmente pola serie Para unha historia do cinema en lingua galega ―promovida polo Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago― da que xusto acaba de saír do prelo o terceiro volume, De illas e sereas (Galaxia). O interese no traballo industrial das mulleres procede do seu anterior filme, A cicatriz branca (2012), onde comproba o importante que fora ese paso de "criadas a traballadoras das fábricas" cando a mediados dos anos 50 na Arxentina, como sabían coser, comezan a empregarse no sector téxtil. Daquela "o corpo libérase da subordinación do espazo doméstico para construír pouco a pouco a súa independencia", valora a cineasta. "O corpo libérase da subordinación do espazo doméstico para construír pouco a pouco a súa independencia", valora Ledo O que Ledo trata é a súa propia xeración ―"aquela expulsada do traballo industrial coa reconversión"― e pensa en Pontesa porque cobre precisamente as "transformacións, precarización e esfarelamento do sistema capitalista produtivo para un especulativo, que pasa no caso español polas peores prácticas". O sufrimento da Pontesa, unha ferida aínda aberta, foi representativo na época non só pola perda económica, senón como indicio que ía esmiuzar todo un modo de vida. Unha xeración Pontesa érguese como exemplo, cun amplo cadro de traballadoras e unha espectacularidade a nivel formal, mais sobre todo porque alí "as mulleres construíronse como persoas, como cidadás", explica Ledo. A directora chegou a ela a través duns vídeos domésticos, no que descubriu dúas cousas de Nieves Lusquiños, peza fundamental da película, que a atraparon: ter mercado en canto puido un Dyane 6 amarelo descapotábel e a frase ―un berro no deserto― "nunca traballedes gratis, por favor!". Buscouna até dar con ela en setembro de 2019, para exporlle pouco a pouco a vontade de facer un filme. A ex traballadora da Pontesa, ao principio, non daba creto. "A miña vida non ten moita importancia", comenta a Nós Diario quen axiña descubriría con sorpresa "canta xente hai detrás dun filme". Lusquiños serviría de elo con outras empregadas. "Eu non sabía que Pontesa seguía en litixio coa inversora que mercou terreos da fábrica en Vigo, do grupo Álvarez, porque se negaba a cumprir o acordado", afirma Ledo. Na vista preliminar nos xulgados da Coruña tivo o primeiro contacto coas súas futuras actrices. Da felicidade ao espolio Lusquiños lembra con agarimo o tempo da fábrica: "Gustábame traballar e mudar de posto, algo que para outros era un castigo. Fixen moitas cousas distintas". Esta "curranta", como tantas outras mozas, entrara con 14 anos. "Daquela era así", asevera Ester García "Aqueles anos foron unha marabilla", coincide coa súa compañeira. Na súa casa eran "moitos irmáns, pobres", e aquel soldo inicial de 320 pesetas ―que logo iría subindo― significaba moito. Recorda, por exemplo, o aprecio de mercar un bote de pexegos polo Nadal. "Ti non sabes o que era iso", di, "os que pasamos fame desas cousas dámoslle moita importancia". "Aqueles anos foron unha marabilla", coincide Ester García Sen deixar plenamente traballos no campo ou no fogar, o emprego na fábrica, ese primeiro sobre, implicaba "ser respectada, na familia e na comunidade", conta Ledo. A obtención dun salario era fundamental nun sistema capitalista no que iso permitía a independencia. "O horario partido, de mañá e tarde, era malo", relata García. Pelexaron pola xornada intensiva, botaron moito tempo protestando, comendo á beira da estrada. Ao final conseguírono, igual que o descanso dos sábados pola mañá. As traballadoras da Pontesa descubríanse fortes, unidas. Ledo observa aí "o que agora chamamos sororidade, a formación dos lazos visíbeis e invisíbeis, porque se manifestan ou porque van tomar os gin tonics xuntas". Cando a cousa comezou a ir mal, tampouco ficaron caladas. García lembra ben como pararon o tren en Arcade (Soutomaior), os 18 días que acamparon fronte á Xunta en Compostela, o feche no concello de Vigo, os altercados no aeroporto desa cidade... "Pelexabamos polo noso pan e dos nosos fillos", di García "Mandaban os antidisturbios de fóra, que botaban aquelas bolas de fume que te mataban viva", comenta. Pero non se rendían: "Pelexabamos polo noso pan e dos nosos fillos". Botábanas con 40 e pico anos, unha idade na que a reinserción no mercado laboral era case imposíbel. E, con todo, García afirma entender "o medo da xente que non quería parar", mais ao que ela se negaba era a "traballar sen cobrar". O filme rescata, neste senso, imaxes das manifestacións da TVG, fondos que nunca se editaron e non estaban dixitalizados. Unha eiva que Ledo apunta como central no seu próximo proxecto académico: "fáltanos ir ao subsolo, e iso tamén o dá un filme como este" que, ao incorporar unha serie de materiais, "está a explicarnos o presente". Non-ficción Son estas as lembranzas sobre as que se ergue o filme-ensaio, encadrado na non-ficción, unha fórmula que Ledo practicou en todas as súas películas, mais que se cadra nesta se atopa "máis incorporada a min mesma, á miña propia expresión", nunha síntese de materiais moi diferentes entre si, "pero que teñen que engarzarse e conseguir esa harmonía que dá unha obra". As actrices Mónica Camaño ou Xoana Pintos xa aparecían en A cicatriz branca, igual que a música de Mercedes Peón estaba en Liste, pronunciado Líster (2007) ou o espazo da granxa Tejeda (Castro de Rei) se fixo presente desde Santa Liberdade (2004). A obra non se limita a recoller o testemuño dun déjà vu das traballadoras, senón que xoga coas fronteiras do pasado e o presente, da ficción e a lembranza. Xunto ás profesionais da interpretación, as mulleres de Pontesa vólvense actrices. Ao traballar un "filme experiencia", xorde o temor a que as protagonistas o "confundan co documental convencional", advirte Ledo. Iso levouna a comezar pola actuación, para tomar consciencia "de que era unha película. Iso a performance dácho". Unha experiencia que elas "xa tiñan incorporada", pois "parar unha fábrica tamén é unha performance". García admite que volver a Pontesa rodar foi para ela unha "grande emoción", ese lugar "onde quitaches a fame do lombo". Mais "acabaron con el". Se che apetece seguir descubrindo este tema non tes máis que acudir mañá á túa libraría de confianza ou mercar Nós Diario na nosa tenda online. Tamén podes garantir que estarás ao día de toda a actualidade facendo a subscrición xa! |
NOS_48904 | Despois de que un erro informático traspapelara varios falecementos na residencia de Vilalba durante días, agora a Xunta volve xerar confusión ao non contavilizar os pasamentos por xornadas. A aparición de casos de días e semanas pasadas nas últimas xornadas pode levar a pensar que tamén hai cifras ocultas da pandemia. | A Xunta recupera estes días a estratexia de información sobre os pasamentos causados pola Covid-19 que empregou cando o virus comezou a notarse na Galiza. No canto de seguir una comunicación estruturada na que se fala de vítimas da infección por días, agora suma parte das xornadas en curso con óbitos pasados de distintos días facendo moi difícil levar un cómputo da realidade que esconde o coronavirus na Galiza. Se xa os datos facendo as sumas das estatísticas que se facilitaron aos medios non coinciden co global que remite a Consellaría de Sanidade nun parte diario, impedindo que se saiba se moitos dos falecementos desde o mes de marzo de 2020 estiveron vinculados a residencias de maiores ou non, o sistema que se retomou xera unha confusión maior. Por exemplo, a pasada quinta feira a Xunta deu aviso de 30 decesos até chegar a 1.718 en todo o país. Mais non falou só dos acaecidos na propia xornada, senón que chegou a aludir a defuntos do día 18, do 19, do 24, do 26 e do 27. Todos mesturados. O parte fornecido na sexta feira foi parecido, con 34 vítimas distribuídas en distintos días e diferentes hospitais ou centros residenciais. Para complicar o seguimento, o sábado confirmaba o falecemento dun número elevado de persoas pero todas eran confirmacións da sexta feira e, ademais, non se aportaron datos. Xa no domingo mesmo daba un número pero invitaba aos medios a agardar o parte con información concreta ao longo desta segunda feira. Con esta desorganización, a Xunta é consciente de que fai máis difícil ter unha idea do mapa global das mortes no país. Mesmo cabe a posibilidade de que haxa mortes que non transcendan. De feito, onte, a última hora confirmábanse outras 40 mortes, 14 delas relacionadas coas residencias. Tendencia á opacidade Nesa liña o denunciaron algúns colectivos no seu momento e o lembrou Nós Diario hai algunhas semanas, nun balance aproximado dos pasamentos desde marzo de 2020 feito por este diario. Nese momento, falábase da opacidade pola que apostou o Goberno galego, pois a crítica tamén foi daquela que se contaran grupos de óbitos nas residencias, sen pór nomes, nin idades nin outros datos ás falecidas. Agora existe un exercicio maior de transparencia que nese momento puntual, mais o certo é que facilitando balances mesturados é difícil poder falar con seguridade da xornada na que perderon a vida máis persoas pola infección ou cal é o xeriátrico que máis está a notar esta terceira onda. Non é imposíbel pensar que se están a perder datos, de forma intencionada ou non, porque xa sucedeu noutras ocasións, mesmo culpando a erros informáticos. Aliás, as irregularidades na campaña de vacinación tamén fan levantar sospeitas. Así, Galiza supostamente fechou xaneiro con arredor de 400 finadas. É a suma após as 40 vítimas comunicadas esta segunda feira, a última hora, a respecto de varios días e que "corresponden a varias xornadas de xaneiro, polo que a cifra global podería variar no caso de que Sanidade notifique algunha nova vítima confirmada nese período en días posteriores de febreiro". |
NOS_47162 | Seleccionador do combinado nacional masculino e treinador do Estrela Vermelha, este compostelán salienta a gran progresión deste deporte no país nestes tres anos e a calidade que acadou. Algo, aponta, que se lle recoñece a Galiza internacionalmente. | Alexandre Sanmartin, 'Jano', comezou a mergullarse no fútbol gaélico en 2012, "case que por casualidade", como el propio manifesta. A razón dunha entrevista no Novas de Galiza a un coruñés que practicaba este deporte, Seareir@s Galeg@s -da que el facía parte na altura- e a Fundaçom Artábria organizan un amigábel no Festival da Terra e da Lingua. De aí naceu unha equipa, o 'Suevia'. E nesa altura, explica, en Compostela procedíase á reformulación dun equipo de barrio, o 'Estrela Vermelha' do fútbol inglés ao fútbol gaélico. "E eu fun o encargado de adestrar", lembra. E até agora, que segue á fronte do combinado 'picheleiro' e da selección nacional galega de fútbol gaélico, que a pasada fin de semana se enfrontou con Irlanda. - As seleccións galegas, masculina e feminina, enfrontáronse coas de Irlanda, o país que é o pai de todo isto do fútbol gaélico. Cales foron as sensacións? - Moi boas. Ao finalizar o encontro, os propios irlandeses nos confesaron que xogabamos moi ben, mellor que noutros territorios e países onde levan tempo neste deporte. En Galiza melloramos moito, a verdade. Temos bastantes equipos e iso propicia que haxa moitos partidos, fai que se compita moito e iso é importante. Creo, sinceramente, que a nivel europeo os galegos e as galegas estamos a un nivel bo, moi bo. "Creo, sinceramente, que a nivel europeo os galegos e as galegas estamos a un nivel bo, moi bo" - De ter que destacar algunha cualidade ou ponto forte do fútbol gaélico galego cal sería? - Destacaría a cualidade da intensidade. Unha intensidade que vén do que comentaba antes, esa competitividade, unha competitividade san, que vén de competir moito e ben. En Galiza xogamos os partidos con moita intensidade. Na Liga somos 11 equipas masculinas e 8 femininas. Iso permite poder xogar moitos partidos. - A que atribúes que este deporte, recentemente chegado ao noso país, tivese unha implantación tan rápida, unha acollida tan boa e que tanta xente aposte por practicalo, montar equipas nos seus concellos ou comarcas... - Non creo que iso se deba a unha única causa. Hai varias. Unha delas, que neste país hai moita afección polo fútbol. Iso axuda, porque que chegue algo que se chama 'fútbol gaélico' xa atrae a xente, a ver como é, de que se trata... Outro factor é o rol da selección galega. O éxito do fútbol gaélico no noso país vai parello ao ter unha selección nacional. O feito de ter un equipo que compite internacionalmente con outras seleccións, que vai a mundiais... fai subir moito o nivel. "Queremos preparar ben o mundial de 2016 e chegar a el nas mellores condicións. Imos a Dublín a competir de ti a ti con todas as outras seleccións" E unha terceira cuestións sería o do 'gaélico'. É algo que aquí, como o do celta, ten o seu tirón. Todo esa idea da comunidade celta que conforman Irlanda, Galiza, Bretaña... pois tamén axuda. - Tamén entre as mulleres este deporte ten unha gran aceptación en Galiza. - A progresión das mulleres no fútbol gaélico en Galiza é espectacular. Ademais dos factores antes citados, o feito de que este sexa un deporte novo no país e que comezou de cero puido que animase a moitas mulleres a participar, pois partían en 'igualdade', por dicilo así, non era visto como un deporte masculino, como pasa con outros. - En 2016 tedes unha cita co Mundial de Dublín. Como o estades a preparar e cales son os obxectivos que vos marcades? - O que estivemos a facer durante este ano foi disputar partidos amigábeis con outras seleccións, como Bretaña, Irlanda... algo que pensamos manter para o ano. Queremos preparar ben este mundial e chegar a el nas mellores condicións, algo que non foi posíbel no mundial que disputamos en Abu Dhabi (marzo 2015). En canto a obxectivos, pois alomenos repetir o acadado en Abu Dhabi (sub-campioa na categoría masculina), e de ser posíbel, mellorala. Imos a Dublín a competir de ti a ti con todas as outras seleccións. - Neste tempo disputastes partidos con outras seleccións, como Bretaña ou Irlanda. Como vos viron, que vos comentaron? Âra eles ten que ser unha sorpresa enfrontarse a un país onde hai apenas cinco anos este deporte nin existía, non si? Para eles é unha sorpresa. Hai tres anos case que nin existiamos e agora felicítannos polo ben que xogamos e o nivel que demostramos. Fomos xogar a Bretaña, onde levan máis dunha década xogando a isto e onde teñen unha selección boa, potente, e gañámoslle. |
NOS_39463 | Por volta de 500 persoas tomaron parte na marcha, que reclamou unha outra política forestal. | Por volta de 500 persoas, segundo datos dos convocantes, o Comité de defensa do monte galego, tomaron parte na manifestación que decorreu en Ourense baixo o lema 'Lumes nunca máis. O noso monte importa". Unha mobilización que se suma ás que nestas semanas tiveron lugar en diferentes partes da provincia, a máis castigada polos incendios deste verán, para denunciar a falta de medios e recursos e a necesidade doutra política forestal. Denunciouse a precariedade das brigadas que loitan contra os incendios, así como que a extinción dos lumes se estea a converter nun negocio en mans de empresas privadas, situación da que se responsabiliza ao goberno galego, ao que se achaca desleixo á hora de actuar contra os incendios. Na mobilización tomaron parte veciños dalgunhas das zonas máis afectadas polos incendios este verán, como Cualedro, así como representantes de organizacións políticas, sindicais e movementios sociais. |
QUEPASA_837 | Continuamos da man da "Asociación Parroquial de Berdoias" e do Seminario de Estudos Comarcais (SEMESCOM), recuperando o rico e variado patrimonio que atesouran os lugares da parroquia vimiancesa de Berdoias. | MOSTRA DO PATRIMONIO MATERIAL DA PARROQUIA DE BERDOIAS (XXIV):AS VELLAS CASAS-VIVENDA (I);A CASA GRANDE DE ALONSO DE LEMA II E O PAZO DE MARTIÑO DE CASTIÑEIRA A Casa Grande de Alonso de Lema II en Berdoias, de principios do XVII, e o Pazo de Boallo do seu fillo Martiño de Castiñeira, de mediados do XVII, son dúas antigas casas fidalgas que resultan ser as casas- vivenda máis emblemáticas da parroquia. A Casa Grande de Alonso de Lema II Casa Grande de Alonso de Lema II, en Berdoias Integrada dentro do núcleo do lugar de Berdoias, é unha casa-vivenda rectangular, de case 13 m de longo, e que consta de planta terrea e sobrado. Sin cheminea (o fume saía por entre as tellas dun teito que era a tres augas).Ten unha fachada de cantería con pezas de gran tamaño na súa maior parte, dispostas un tanto irregularmente. E na súa parte central, unha porta alintelada cunha inscrición de quen fixo a casa e a data: Alonso de Lema II en 1607. No mesmo lintel, completando a inscrición, aparecen os gravados dunha palma e dunha espada, emblemas do "Santo Oficio da Inquisición" da que Alonso de Lema II figurou como "comisario". Precisamente, cun dos seus informes, evitou a morte das " 6 bruxas de Carantoña" e permitíu a súa liberación. (1) Inscrición no lintel da porta da Casa Grande de Alonso de Lema Esta Casa Grande de Berdoias ten como construcións adxectivas: no lado norte, unha dependencia adosada, duns 12 m de longo, dedicada no seu día a corte para o gando, e que ten unha interesante porta tamén alintelada- un lintel sobre machóns. E mesmo a continuación, mais ó norte, a boa feitura de muros, xunto cun amplo portal e un alto paredón que cercan unha finca, son indicativos dunha posible vinculación, noutras épocas, coa propia Casa. No lado sur, conserva o chan da eira. E no leste, na finca posterior da Casa, atópase o cabazo. Casa de Alonso de Lema II (parte posterior) O PAZO DE BOALLO O Pazo de Boallo (ala loeste) Encadrado na aldea de Boallo, foi unha espléndida casa fidalga de pedra, de 18 m de lonxitude, que se atopa practicamente en ruínas, seguen en pé as paredes de cachotería e de cantería de tamaño irregular. Na fachada oeste, quedan os restos dunha escaleira de pedra que conduce a un patín cuberto, e que daría acceso ó sobrado. Na parte posterior do edificio (lado leste) tamén queda unha escaleira de pedra de dous tramos que remata nunha solaina co teito apoiado en 5 columnas. Escaleira e solaina no pazo de Boallo (ala leste) Na parede norte, sobre parte dun sobrado de grandes lousas de pedra, aínda seguen en pé os restos dunha espléndida cheminea, e dun forno, o máis grande dos da parroquia, con cheminea propia. O bombo cuadrangular deste forno sobresae ó exterior sobre tres columnas (hoxe, quédanlle só dúas). Cheminea grande do pazo, e forno con cheminea propia Boca e bóveda do forno Bombo exterior do forno do pazo de Boallo Na contorna do pazo aínda se conservan unha boa mostra doutras construcións adxectivas: A carón da fachada principal, no lado oeste, permanecen restos da calzada que discorre cara fóra do lugar; no pinchón sur, leva adosado o edificio dunha tulla; e na extensa finca, no leste do pazo: unha eira, un pozo e un lavadoiro, dous vellos cabazos atlánticos- soneiráns, e os restos dunha capela e dun cruceiro… Vellos cabazos soneiráns do pazo de Boallo Capela de San Roque e cruceiro, do pazo de Boallo Desde a segunda metade do século XVI deica finais do século XIX a longa saga fidalga dos Lema señoreou os coutos de Berdoias e Boallo, e incluso os coutos das Edreiras (Zas) e Soesto (Laxe). Despois, as rendas destes territorios remataron sendo outorgadas, no 1887, ós Blanco Rajoy. *(1) Berdoias garda memoria sobre a Inquisición, a través desta copla popular que, transmitida polas vellas e vellos, chega a nós pola veciña e cantareira Carme da Gelfa: "A Santa Inquisición murríu /vai cos demos no inferno, /os demonios tan contentos /teñen leña pró inverno". (Boa parte destes contidos e das fotografías, proceden do traballo de campo "Inventario do Patrimonio Etnográfico" feito por Xosé María Lema, Roberto Mouzo, e Moncho Gándara no ano 1993, para a Xunta de Galicia.) TESOUROS DE BERDOIAS Tesouros de Berdoias (XXIII): Os pasos: portelas, portais, pasadoiros, portelos, poxados. Tesouros de Berdoias (XXII): Os camiños, os cercados, as pontes. Tesouros de Berdoias (XXI): Ermidas, Capelas, Cruces e cruceiros. Tesouros de Berdoias (XX): Igrexa Parroquial de Berdoias e o Cruceiro do Adro (I). Tesouros de Berdoias (XIX): Fontes, Pozos, Lavadoiros, Vertedeiros…. Tesouros de Berdoias (XVIII): O Curro de Santa Cristiña. Tesouros de Berdoias (XVII): Os Pombais. Tesouros de Berdoias (XVI): Alvarizas. Tesouros de Berdoias (XV): As Lacenas de abellas (e II). Tesouros de Berdoias (XIV): As lacenas de abellas. Tesouros de Berdoias (XIII): Cabazos vellos, cabazos novos. Cabazos pequenos, cabazos longos…. Tesouros de Berdoias (XII): Os 99 cabazos da parroquia (I). Tesouros de Berdoias (XI): Dous fornos na propia casa-vivenda. Tesouros de Berdoias (X): Fornos Grandes - Fornos Pequenos. Tesouros de Berdoias (IX): Os Fornos: Tesouros de Berdoias (VIII): Os Muíños. Tesouros da Parroquia de Berdoias (VII): Unha parroquia de 35 Eiras. Tesouros da Parroquia de Berdoias (VI): A Eira do Farruquiño no lugar de Boallo. Tesouros da Parroquia de Berdoias (V): A Eira do Carmelo. Tesouros da Parroquia de Berdoias (IV): A Eira do Buxán, en Santa Cristiña. Tesouros da Parroquia de Berdoias (III): A Eira de Rúa e a Eira da Gaia. Tesouros da Parroquia de Berdoias (II): A Eira do Sores, en Romar.. Tesouros da Parroquia de Berdoias (I): A Eira da Rata |
NOS_35750 | Segundo a CIG esta sentenza evidencia "a precariedade e a fraude laboral nos servizos públicos que están a fomentar as distintas administracións". | Un xulgado do Social da Coruña vén de declarar como persoal laboral fixo do Concello de Ponteceso nove traballadoras e traballadores do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), recoñecéndolle unha antigüidade que viría desde 31 de xullo de 2013, ano no que se asinou o primeiro convenio entre Administración local, Xunta e Deputación para a prestación deste servizo. O tribunal considera que a "fraudulenta contratación" á que estaba sometido este persoal, con contratos temporais por obra ou servizo que se renovan ano a ano desde 2013 e a realización de funcións permanentes, entre outras, converten estas traballadoras e traballadores en persoal laboral fixo do concello. Promocionar a precariedade Para a CIG esta resolución é unha evidencia máis da "irresponsábel concepción que as Administracións como Xunta, concellos, Fegamp e deputacións, teñen destes grupos de emerxencias e o escaso interese por dotar dunha estrutura de persoal profesionalizada e estábel". Demanda, ademais, que conten "con medios materiais suficientes a estes servizos públicos básicos que atenden, de modo maioritario, as zonas rurais". A central nacionalista salienta que a propia sentenza recolle que diferentes xulgados do Social e o TSXG teñen ditado resolucións declarando a fixeza da relación laboral dos traballadores e traballadoras cos concellos que prestan o servizo. Segundo a CIG nos GES "mestúrase, por un lado, o obxectivo da Xunta de dar unha suposta cobertura de servizos de emerxencias a zonas ás que non chegan os parques de bombeiros e por outra, os concellos, co visto bo das deputacións e Fegamp, acollen estes grupos co obxectivo de dispor de persoal barato para a realización de todo tipo de labores". |
NOS_19989 | A líder da oposición e portavoz nacional do BNG acusa Rueda de "atacar e desprezar a lingua do país" nunha campaña electoral, a de 2009, que para Pontón foi "a máis sucia que se lembra". | A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou no debate de investidura de Alfonso Rueda á formación nacionalista "preparada para gobernar" para "dar a volta" á situación actual e, non en balde, anunciou as que serían as súas primeiras medidas "como presidenta" da Xunta, nun discurso no que se dirixiu directamente aos galegos: "O cambio galego está en marcha, empezou a conta atrás para un cambio de goberno na Xunta". "Vostede, señor Rueda, non é máis que un presidente accidental, o primeiro que non foi elixido como tal polos galegos. E non convocan eleccións porque saben que as perderían", proclamou, antes de salientar que "vai chegar á Presidencia da Xunta de rebote, porque o seu xefe de filas considerou máis importante ser presidente do PP que ser presidente da Galiza; considerou máis importante ocupar a sede dun Partido Popular condenado por corrupción que ocuparse do Goberno da Galiza". As cinco tarefas que Rueda ten como novo presidente Pontón tamén se referiu no seu discurso ao "currículo" de Rueda, no que figura, dixo, "o ataque e o desprezo á lingua do país". "Aí estaba detrás da campaña electoral máis sucia que se lembra, convertido nun avanzado das fake news, abandeirado da política do 'todo vale' con tal de facerse co poder. Deixa claro cal é o seu listón ético", manifestou. A líder da oposición, durante a súa intervención, presentouse como a "alternativa" a un goberno do PP, sendo ela "unha presidenta" que, no seu primeiro Consello de la Xunta, de lograr o goberno, aprobaría un paquete de medidas para "axudar a quen máis o necesita". Entre esas medidas estarían unha suba das pensións non contributivas, mellorar a prestación da Risga, aumentar as axudas para gastos básicos de vivenda, baixar as peaxes das autoestradas e un paquete de axudas aos sectores máis afectados. BNG e PSdeG poñerán voz á "outra Galiza" na investidura Ana Pontón, que apostou por unha "discriminación positiva en servizos" para o medio rural, con mención especial para as mulleres, puxo enriba da mesa "dous modelos": "O do PP, sen nada que ofrecer salvo resignación, rutina e autocompracencia, ou o modelo do BNG, cun proxecto solvente, ilusionante e desde a confianza para construír unha Galiza mellor". "O vello ou o novo, o pasado ou o futuro, o PP ou o BNG", aseverou, expondo que estas "son as dúas alternativas que se confrontan neste debate, os dous modelos entre os que moi cedo escollerán os galegos", e nun discurso no que debullou unha sorte de programa electoral dun "goberno do BNG" baseado en dez eixos estratéxicos. |
NOS_9951 | O fillo da poeta Xela Arias fala con 'Nós Diario' sobre a publicación do libro inédito 'Non te amola!'. | —Que lembra da súa nai? Xórdenme sempre moitos recordos de moi diferentes ámbitos cando penso na miña nai. A meirande parte deles teñen que ver coa vida cotiá, coa convivencia. Porén, tamén teño recordos das viaxes que facíamos a Formentera ou a Portugal con meu pai ou das actividades que levaba a cabo miña nai na Fundación Nautilus, relacionadas cos movementos Nunca Máis e Non á Guerra. As lembranzas do seu labor literario son algo máis borrosas para min, aínda que si lembro vela traballar en varias traducións e incluso unha vez levoume a ver como dobraban ao galego un capítulo de Shin-Chan nun estudo en Vigo. —Como influíu o legado literario da súa nai na súa vida? Pese a que non sinto ningunha inquedanza por comezar unha produción literaria propia, as particularidades da miña nai, así como as do meu pai, leváronme a ter un profundo respecto por todas aquelas persoas que crean ou promoven cultura, e singularmente cando falamos da galega. Tamén as numerosas visitas a museos e galerías, que tiven a sorte de facer cando viaxabamos fóra da Galiza fixo que tivera inquedanzas culturais diversas, non enfocadas cara a unha única disciplina, polo que o seu legado en min é un pouco o reflexo da súa obra, a mestura de múltiples disciplinas culturais nun diálogo entre iguais. —Que sentiu cando soubo que lle ían dedicar o Día das Letras Galegas 2021? Foi un orgullo tremendo. Aínda que esta época está irremediabelmente marcada pola pandemia e podíase pensar que iso desluciría o seu ano, o gran traballo das institucións e editoriais en tan pouco tempo, e cos condicionantes sanitarios tan restritivos, está facendo que todos os proxectos saian cara a adiante e se lembre e celebre o ano da miña nai o mellor posíbel. Toda a familia está encantada. —Que podemos agardar deste novo libro de Xela Arias?É algo especial publicar un inédito de modo póstumo, mais decidimos dar o paso porque ela xa o quixera publicar no seu tempo e por circunstancias externas non se deu. Ela estaba orgullosa do seu traballo e consideraba que estaba á altura precisa para ser publicado, polo que nos permitimos de boa gana que vise a luz. É algo moi distinto aos seus outros traballos, xa non só por ser prosa, senón porque se trata de contos infantís, que pouco ten que ver coa súa temática habitual. Se houbese que resumir nunha palabra o libro, eu quedaríame con tenrura. —Como animaría o público a que afonde no traballo de Xela Arias?Por sorte, e grazas ao traballo de moitas persoas e editoriais, hai moita obra da miña nai dispoñíbel. Quizais a poesía non é o estilo máis popular á hora de escoller lectura, pero para todo aquel que lle queira dar unha oportunidade recomendaríalle que comezase con Darío a diario, xa que é un poemario curto, sinxelo, cunha visión diferente da maternidade e que pode servir de primeiro chanzo para familiarizarse coa obra de miña nai, e posteriormente seguir avanzando nela. Con todo, para todas aquelas persoas afeitas a ler poesía, coido que Tigres coma cabalos é unha obra moi valiosa xa que pon en diálogo os poemas coas fotografías, sendo toda unha pioneira no seu momento. |
NOS_49631 | A decisión da RAG será nun pleno á volta do verán no que se analizarán "todas as circunstancias" e propostas trala crise sanitaria | As extraordinarias circunstancias en que se desenvolve este ano a celebración das Letras Galegas co Ano Carvalho Calero fixeron que a Real Academia Galega (RAG) tomara a decisión, sen precedentes nos 57 anos de historia do 17 de maio, de adiar o seu acto oficial até o mes de outubro. O estado de alarma decretado polo Goberno español afectou a toda a programación de actos prevista e por este motivo numerosas voces, da man de escritoras, intelectuais, entidades sociais e culturais, solicitaron formalmente á institución académica que estenda a 2021 a celebración da figura de Carvalho Calero, co fin de paliar esa situación e darlle a visibilidade que merece. O presidente da RAG, Víctor Freixanes, recoñeceu que se trata "dunha posibilidade que está aí" mais que a institución terá que valorar no seu momento. Neste sentido avanzou que se convocará un pleno cando as circunstancias o permitan, á volta do verán (en setembro ou principios de outubro), no que a Executiva e as académicas e académicos analizarán a situación na que queda a conmemoración e as iniciativas desenvolvidas. "Nós non nos fechamos", asegurou, mais antes haberá que "reunirse", posto que de momento non tiveron "nin posibilidade legal" nin material para celebrar un encontro nas condicións necesarias para abordar esta posibilidade e as propostas sociais realizadas neste sentido. Superar as circunstancias O presidente da Academia defendeu que "a visibilización está aí" e que a institución "está a facer un esforzo grande" para celebrar a Carvalho Calero, "con iniciativas de todo tipo" a través das redes para tentar paliar a suspensión de eventos e de actos presenciais. Freixanes realizou un chamamento a superar estas circunstancias e "ser capaces, con imaxinación e esforzo", de impulsar "iniciativas extraordinarias" e celebrar a Carvalho Calero coa "dignidade que merece", como o acto central en Ferrol do próximo 31 de outubro coincidindo co aniversario do escritor. Reparar o que sería unha inxustiza Entidades, como A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ou a Associaçom Galega da Língua (AGAL), recoñeceron o intento da Academia de compensar esta situación, mais consideran que as circunstancias fan "moi difícil" a difusión adecuada dunha figura do calibre do autor de 'Scórpio' e do primeiro canon da historia da literatura galega. A AELG remitiu unha carta ao presidente da Academia para transmitirlle persoalmente a petición de que 2021 sexa tamén o Ano Carvalho Calero, despois de que a crise anulase "toda posibilidade de normal celebración das actividades de divulgación" do narrador, poeta e ensaísta, tanto no panorama educativo como cos concellos. "Pensamos que sería unha inxustiza histórica que o autor homenaxeado non poida ser achegado á sociedade e aos seus escolares como todo autor e autora mereceron no pasado, dentro dunha maior normalidade social e cultural", insisten na misiva. A federación de asociacións culturais Galiza Cultura tamén realizou unha petición neste sentido, a través dunha misiva subscrita pola súa presidenta, a escritora Pilar García Negro. "A excepcionalidade de tal medida está máis que xustificada polo excepcional e grave da situación que estamos a padecer", sinalou, tendo en conta o gran abano de actos que sempre acompaña á conmemoración. |
PRAZA_11356 | Unha sentenza do Tribunal Constitucional modificou este verán o cómputo deste tipo de pensións. UGT-Galicia fai un chamamento ás persoas afectadas, a maioría mulleres, para que que reclamen o incremento das contías que reciben e esixe unha retroactividade "de cando menos catro anos" | As traballadoras a tempo parcial vían recortadas as súas pensións por "dúas vías", a base reguladora da pensión e o cálculo do periodo cotizado, e esa dobre redución resultaba inxustaO pasado mes de xullo o Tribunal Constitucional anulou o mecanismo para calcular as pensións das persoas que traballaran principalmente a tempo parcial. A decisión, adoptada por unanimidade, subliñaba que o calculo anterior prexudicaba a quen traballara a media xornada, especialmente ás mulleres, que constitúen o 75% dos empregos a tempo parcial. O tribunal, que seguía o fixado por unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, sinalou que anteriormente as traballadoras a tempo parcial vían recortadas as súas pensións por "dúas vías", a base reguladora da pensión e o cálculo do período cotizado, e que esa dobre redución resultaba inxusta.Porén, en principio asumiuse que a sentenza só ía ter implicacións para as persoas que se xubilasen a partir de agora e para quen tivese algunha reclamación aberta por este motivo. Pero non é esa a interpretación que fan os sindicatos, que reclaman que a revisión á alza da pensión se aplique tamén de forma retroactiva, cando menos para as traballadoras e traballadores xubilados nos últimos anos.UGT aposta por aplicar unha retroactividade de cando menos catro anosNeste senso UGT-Galicia presentou hai uns días a campaña "Pensionista reclama. É de xustiza. É o teu dereito", que busca que os e as pensionistas que no seu día traballaron a tempo parcial e que viron reducida a súa pensión pola aplicación dun coeficiente redutor (coeficiente de parcialidade) reclamen o incremento das contías que lles corresponden.UGT aposta por aplicar unha retroactividade de cando menos catro anos, seguindo a doutrina do Tribunal de Xustiza da UE. Segundo as estimacións do sindicato, en Galicia poderían verse beneficiados da aplicación desta retroactividade unhas 6.000 pensionistas (120.000 en todo o Estado).O sindicato subliña que "a parcialidade ten rostro de muller", lembrando que o 74,3% dos traballadores galegos a tempo parcial son mulleresO sindicato subliña que "a parcialidade ten rostro de muller", lembrando que o 74,3% dos traballadores galegos a tempo parcial son mulleres. Engade que o 13,6% do total de traballadores do país ten un contrato a tempo parcial e, que no 52,8% dos casos é de forma involuntaria; isto é, gustaríalles traballar a xornada completa.Para o sindicato, outra das grandes eivas da sentenza é que só considera inconstitucional a forma de calcular o período cotizado pero non se pronuncia sobre a base reguladora das pensións de xubilación das persoas a tempo parcial, que orixina tamén a redución da contía destas pensións. |
NOS_43121 | O Adif modificou en xullo de 2010 o proxecto orixinario da mal chamada alta velocidade galega. Esa decisión trouxo como consecuencia que a infraestrutura ERTMS non chegase á estación de Santiago de Compostela. A súa ausencia na curva de A Grandeira foi determinante na traxedia de Angrois, saldada con 79 mortes. | As conclusións que se tiran do informe realizado polo perito xudicial César Mariñas Dávila, nomeado polo instrutor do caso, Luís Aláez, son demoledoras e apuntan con claridade as responsabilidades da Adif na xénese da catástrofe. En realidade, fornecen de novos argumentos ao xuíz, quen xa ten achado indicios de imprudencia puníbel na compañía estatal, a titular dos camiños de ferro. Foi Adif quen tomou a decisión de non colocar o ERTMS nos últimos quilómetros antes de chegar a Santiago. O ERTMS é un sistema de seguranza que tería freado a máquina -o Alvia- e evitado que o despiste do maquinista, un erro humano, resultase nunha traxedia. No seu informe, Mariñas Dávila chega a escreber: "De se ter despregado a infraestrutura ERTMS de vía necesaria para poder operar baixo a supervisión completa do ETCS nível 1 até a mesma estación de Santiago, tal e como estaba previsto no proxecto orixinario, e operando dese xeito, o accidente non se tería producido". O perito denuncia que o accidente se produciu "nos únicos 87 quilómetros dos arredor de 3.000 da rede de alta velocidade española que non contan con ancho de vía internacional". Esta conclusión do perito deita nova luz sobre as responsabilidades do Estado no terreno xudicial, mais tamén no político. En xullo de 2010 o ministro de Fomento era José Blanco, integrante da candidatura do PSOE ao Parlamento europeu. Portavoces das vítimas de Angrois teñen demandado ao PSOE que exclúa o ex ministro da súa listaxe a Bruxelas. O discurso de Blanco a este respeito non se move de dous parámetros. Primeiro, desviar as responsabilidades aos cargos técnicos do Ministerio. Segundo, afirmar que a única decisión que tomou como ministro foi a de impulsar a alta velocidade na Galiza. No seu informe, ao que tivo acceso a axencia Europa Press, o perito denuncia que o traxecto no que se produciu o sinistro está xusto "nos únicos 87 quilómetros dos arredor de 3.000 da rede de alta velocidade española que non contan con ancho de vía internacional". |
NOS_41448 | O festival compostelán forma parte dun evento mundial que decorrerá durante esta fin de semana na rede | O festival compostelán Música e Artes Atlánticas (Maré) forma parte de Culturas360°, un evento global en liña no que participan nove festivais de catro continentes e que decorrerá durante esta fin de semana. Aos ritmos de países como Zanzíbar, Cabo Verde, México, Mozambique, Cuba, India ou o Canadá súmase o multiinstrumentista galego Abraham Cupeiro, que actuará xunto coa violoncellista Margarida Mariño e a acordeonista Sabela Caamaño. Culturas360° é unha iniciativa realizada por festivais como Sunfest do Canadá, o Festival Internacional Ollin Kan de México ou Mozambique Music Meeting, xunto co galego Maré e o certame portugués Artes á Rúa, entre outros. O seu obxectivo é promover a transformación social e a solidariedade entre os pobos. No día de mañá poderase desfrutar das actuacións de MamaSonika (México), Kalimarimba (Chile), Septeto Santiaguero (Cuba), ÉTÉ (Canadá), Mitocoma (Mozambique) Pratik Shrivastava (India), Francisco el Hombre (Brasil), Khoomei Beat (República de Tuvá) e Triúnico (Portugal). De cara a mañá soarán os artistas Son Rompe Pera (México), Carmen Lienqueo (Chile), Morena Son (Cuba), Lemon Bucket Orkestra (Canadá), Cheny & Xixel (Mozambique), Abraham Cupeiro (Galiza), Maya Kamaty (Isla Reunión), Siti & The Band (Zanzibar) e Jenifer Solidade (Cabo Verde). Na Galiza, os concertos comezarán ás 16.00 horas. O festival Maré, renacido do certame de Cantos na Maré, aposta polas sonoridades de Abraham Cupeiro, quen recupera instrumentos dun pasado remoto para crear músicas do presente. O multiinstrumentista destaca por ser unha das poucas persoas que toca o Karnyx, unha trompeta celta da Ideade de Ferro, e é impulsor dun instrumento ancestral da tradición galega: a corna. O seu interese pola organoloxía levouno a conseguir unha colección de máis de 200 instrumentos de todo o mundo e de distintas épocas. A súa arte ten unha visión poliédrica, que comprende a investigación, a creación, a interpretación e a construción dos elementos necesarios para chegar a esas sonoridades. Cupeiro ten colaborado con numerosas orquestras como a Real Filharmonía e a Orquestra Sinfónica da Galiza, Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, Royal Piharmonic Orchestra de Londres e a Orquestra de Vaasa de Finlandia, entre outras. |
NOS_40234 | Un grupo de filólogas da Universidade de Vigo traballan en parcería con especialistas de São Paulo para a elaboración dun dicionario de termos sobre a crise económica. A prensa é a fonte para a elaboración do corpus semántico. | Os correctores vólvense tolos cos novos termos que a crise económica popularizou e se foron adaptando ás diversas linguas como ía cadrando. Os meios de comunicación orixinaron debates entre lingüistas a respecto dalgunhas palabras usadas xa en titulares e que podían tomar distintas formas. Coa urxencia da propia crise económica, un grupo de especialistas, sete de Brasil e catro da Galiza comezaron a elaborar un catálogo de imaxes de cara á ofrecer un futuro dicionario sobre a crise económica internacional. Trátase de elaborar un estudo da crise económica partindo dos neoloxismos da prensa "desde un punto de vista intercultural e multilingüe", segundo sinala a profesora da Facultade de Filoloxía e tradución, Iolanda Galanes e recolle o xornal da propia Universidade de Vigo. A fonte do traballo é a propia prensa e, segundo as promotoras, iso posibilita a contextualización dos acontecementos e pon de manifesto a distinta percepción da crise nun país intervido como Portugal ou nun emerxente como Brasil. Iolanda Galanes, Silvia Montero, Ana Luna e Aurea Fernández toman parte do equipo de Vigo que traballa en parcería con especialistas do Observatório de neologismos científicos da Universidade de São Paulo dirixidos pola profesora Ieda Maria Alves. A metodoloxía pasará desde un estado inicial no que se estudarán tres xornais durante cinco anos un día á semana para constituír un primeiro corpus do que sairá o segundo cun conxunto de novos conceptos, afondando no estudo semántico. |
PRAZA_12468 | Teño especial debilidade polos bos libreiros -e libreiras- que rexentan negocios anormais, excepcionais, neste país fáciles de recoñecer porque adoitan ser os mesmos que saben que Gallego non é en si un único xénero literario que cabe en media ducia de andeis -onde teatro, narrativa e poesía aparecen mesturados con desleixo e sempre a rentes do chan, obrigando aos interesados a adoptar posturas imposibles. Son profesionais que procuran o que lles pides moito antes de pronunciar a palabra descatalogado, que son quen de recomendarche un libro e acertan. | Hai persoas que senten a necesidade de ter un avogado de cabeceira. Esas, é evidente, non son xente de fiar, en que andan metidos para que lle faga falla un letrado localizable durante 24 horas, 365 días ao ano? Porén, outras consideramos que é mellor inversión ter un libreiro a man, alguén como da familia a quen recorrer cando as cousas se poñen malas para atopar unha lectura sandadora, e cando as cousas se poñen ben para procurar un libriño co que celebralo. Por suposto, somos xente á que aqueles que teñen avogados de cabeceira, acabarán timando. Outras consideramos que é mellor inversión ter un libreiro a man, alguén como da familia a quen recorrer cando as cousas se poñen malas para atopar unha lectura sandadora Ben certo é que para ler non é preciso mercar, aí están as bibliotecas que tantas veces nos salvan a vida, pero posuír é algo que se aprende dende moi novo -instálaseche no cerebro o día que che rouban a primeira merenda no parque-, e cos anos un acaba afacéndose a ese delirio do capitalismo que é a propiedade privada, algo que a literatura como tal non precisa realmente. Outra cousa é esa entelequia que chaman sistema literario, ese negocio, que agradece que haxa persoas compulsivas coma min que gastan os vinte euros que tiñan destinados ao aforro nunha edición moi bonita dun libro que xa lemos hai dez anos simplemente porque podemos e nos apetece telo. Tampouco é imprescindible para a lectura ese gasto luxurioso do papel, pero confeso que a min toda conciencia ecolóxica, tecnolóxica e anticonsumista me desaparece cando entro nunha librería. A min gústanme os libros polo que din e por como son. Gústame adormecer sobre eles, metelos no bolso, dobrarlle as páxinas polas esquinas, marcalos con lapis... atopo un pracer vicioso en botarlle as mans enriba e fágolles todo o anteriormente descrito (agás o de marcalos co lapis) mesmo cando son prestados. Precisar ter un libro entre as mans é algo imposible de explicar, pero aquí cada un ten as súas toladas e eu non me meto con elas. Ademais a miña loucura contribúe á economía de tres ou catro familias de libreiros, que tamén teñen que vivir. Teño especial debilidade polos bos libreiros -e libreiras- que rexentan negocios anormais, excepcionais, neste país fáciles de recoñecer porque adoitan ser os mesmos que saben que Gallego non é en si un único xénero literario que cabe en media ducia de andeis -onde teatro, narrativa e poesía aparecen mesturados con desleixo e sempre a rentes do chan, obrigando aos interesados a adoptar posturas imposibles. Os bos libreiros son xentes que che falan dos libros co pracer de tratar de obxectos marabillosos, de recomendalos, de coñecelos, mesmo se despois venden poucos deses e as súas economías subsisten co best-seller e o libro de texto. Son profesionais que procuran o que lles pides moito antes de pronunciar a palabra descatalogado, que son quen de recomendarche un libro e acertar, incautos que teñen o atrevemento de non poñer vampiros e homes lobo nos seus destacados, que senten paixón polo que fan e respecto polo oficio, a literatura, a cultura e a lingua. Con esa entrega, é imposible non ir de librerías coa devoción coa que un cristián vai á misa. Teño especial debilidade polos bos libreiros -e libreiras- que rexentan negocios anormais, excepcionais, neste país fáciles de recoñecer porque adoitan ser os mesmos que saben que Gallego non é en si un único xénero literario Un bo amigo e gran lector, Jorge, recomendoume que mercase un libro electrónico, que así lería moitos títulos deses nos que nunca gastarías vinte euros. A min non me convence. Eu se xa vou con esa idea, é dicir, se xa me cheiro que o libro non vale os vinte euros, non me mato en lelo. Pero aínda así, se Jorge insiste, poderei ilo sacar á biblioteca, pracer recuperado neste último ano, e tan felices. Confeso que quero con devoción os libros e que me gusta moito ir onda os meus libreiros, eses seres felices que acertaron co seu oficio -algo, polo que vexo, moi difícil nestes tempos- para os que un cliente é alguén como da familia. Fronte aos avogados de cabeceira, os libreiros que frecuento só teñen un defecto: non están localizables as 24 horas, 365 días, pero que carallo, para as urxencias lectoras ben vale internet. |
PRAZA_67 | A Xunta vetou un acto da Marea Atlántica nun instituto da Coruña apoiándose nun convenio que só atinxe ao uso de instalacións deportivas dos centros de ensino secundario por parte dos concellos. | O pasado venres a Consellería de Educación daba en prohibir os actos organizados pola Marea Atlántica nun instituto da Coruña, o IES de Elviña, apenas tres horas antes do seu comezo. O departamento que dirixe Jesús Vázquez xustificou este veto esgrimindo un convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para "prohibir o uso dos pavillóns dos centros educativos con fins políticos". "Entendemos que, se nun pavillón non se pode, menos aínda no interior dun centro", argumentábase dende a Consellería en declaracións a este diario. O texto do convenio, a cuxo contido tivo acceso Praza, amosa ás claras non só que afecta unicamente a instalacións deportivas, senón que ademais atinxe unicamente a actos organizados ou autorizados polos concellos. Tal convenio foi asinado o pasado 16 de outubro polo conselleiro Jesús Vázquez e mais o presidente da Fegamp e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey. O seu obxectivo é "articular as bases da colaboración" para que "as instalacións deportivas titularidade da Consellería", isto é, os pavillóns dos institutos, "poidan ser empregadas polos concellos galegos fóra do horario e actividades docentes para fins de carácter educativo, deportivo e cultural". Entre as "actividades non permitidas" que, "en consecuencia, exclúense do ámbito de aplicación deste convenio", di o texto, están as "promovidas por partidos políticos, sindicatos ou calquera outra asociación de obxecto distinto ao educativo, deportivo e cultural". O convenio só regula as condicións en que os concellos poden utilizar as instalacións deportivas dos institutos A orixe desta regulamentación, explican fontes da Fegamp consultadas por Praza, está no interese dos concellos por contar cunha normativa clara que lles permitise empregar estes recintos "para uso institucional" e a organización neles de eventos diversos, dende feiras a eventos culturais ou festas infantís, entre outros, sabendo ademais que administración asume os gastos derivados da súa apertura fóra do horario lectivo. Trátase, resumen as mesmas fontes, de deixar claro que actividades se poden realizar nestes recintos "baixo o paraugas dos concellos", de aí que se "exclúan" actos políticos, toda vez que a administración municipal non vai organizar actos de partido. Neste sentido, a primeira cláusula detalla que se permitirá "a realización de actividades" políticas, caso de mitins, "que sexan previamente autorizados polas correspondentes Xuntas Electorais". Deste xeito, alén da consideración que a norma e a Marea lle poidan merecer a cadaquén, o veto imposto por Educación o pasado venres non pode estar amparado neste convenio por varias cuestións, a comezar polo feito de que os actos programados non se ían desenvolver nas instalacións deportivas do centro, senón nun salón de actos. Asemade, quen organizou ou autorizou o acto non era o Concello da Coruña nin ningún outro e o convenio regula exclusivamente a actividade destas institucións nos pavillóns. Do mesmo xeito, a Marea Atlántica non é máis ca unha plataforma cidadá e non ten, cando menos polo momento, a consideración legal de partido político. A Marea Atlántica ve confirmado que a prohibición foi "unha decisión política que se tentou vestir xuridicamente" Así as cousas, trataríase cando menos dun baleiro na regulamentación que non pode ser tapado cun convenio que, por outra banda, a Consellería non expón no Rexistro de Convenios da Xunta aínda que na páxina 11 do mesmo se comprometeu a facelo. Non en van, entre os días 15 e 17 de outubro de 2014 figuran no Rexistro cinco convenios dos que dous corresponden a Educación, pero ningún deles referido a esta materia. Unha vez coñecido o texto concreto do convenio dende a Marea Atlántica ven confirmado que a prohibición foi "unha decisión política que se tentou vestir xuridicamente" aínda que a argumentación do Goberno galego colisione cun "principio xurídico básico", como é que "a sinatura dun convenio ou dun contrato só implica a quen o asina". "A Marea Atlántica non forma parte da Fegamp nin nada polo estilo", ironizan, toda vez que "o que regula" este texto "é a cesión aos concellos de espazos da Consellería", neste caso pavillóns deportivos. En calquera caso, abondan, "o que estabamos exercendo é un dereito fundamental" o de "reunión e participación política" e, "cando nunha norma existen dúbidas", débese "optar pola opción máis favorable aos dereitos fundamentais". |
NOS_47741 | Tras o inverno, na primavera ten lugar o espertar biolóxico dos insectos. Comeza o seu período máis activo e con el empezan a aparecer as primeiras xeracións. Axiña se deixan ver en árbores, plantas e cultivos, sobre todo, os danos dos que son capaces. Son pragas que poñen en alerta as propietarias e propietarios, mais tamén os investigadores fitopatolóxicos e aos servizos de sanidade vexetal. Moitas son habituais e teñen tratamento fitosanitario; outras son exóticas, voraces, e moito máis difíciles de erradicar. | O clima húmido e temperado da Galiza convértea no lugar ideal para o desenvolvemento natural de calquera bacteria, fungo ou patóxeno propio do noso ecosistema ou alleo a el. Hoxe viaxamos máis. En poucas horas podemos atravesar medio mundo e estar de volta na casa con material infectado sen que nos deamos de conta. O vaivén constante de persoas e mercadorías facilita a entrada de pragas canda a particulares e contedores, grazas ao tránsito comercial en zonas portuarias. Pero non só, apunta Carmen Salinero, xefa de servizo da Estación Fitopatolóxica do Areeiro. "As pragas tamén poden chegar nunha nube. Un pulgón pode viaxar moi lonxe grazas a elas, e como temos esta climatoloxía tan boa, hai grandes posibilidades de que quede entre nós; que conviva, sen máis, ou que se desenvolva como praga". Estamos no tempo dos pulgóns e dos ácaros. Os da camelia convén tratalos agora para non ver afectada a produción do ano que vén. Axiña aparecerán as primeiras manchas provocadas polo oídio das maceiras, o do carballo, o mildeu das viñas; a áltica que nos últimos anos causou danos importantes en carballeiras do interior de Galiza. Son pragas habituais que se poden chegar a controlar con fitosanitarios específicos que o Ministerio de Agricultura actualiza cada pouco na súa web, así que se teñen pensado aplicar algún produto cómpre consultar o rexistro para certificar que non está prohibido. O verme dos ameneiros Os praguicidas adoitan ser preparados daniños para a fauna silvestre, nomeadamente a acuícola. No Barco de Valdeorras, os amieiros do paseo do Malecón vense atacados estes días por unha praga de Agelastica alni, un coleóptero moi voraz que tanto na súa fase larvaria como adulta se alimenta das follas. O caso é que hai produtos para combater a concentración tan alta de bichos na zona, pero a proximidade do río Sil desaconsella o seu uso. Non se poden utilizar. As condicións meteorolóxicas dos últimos meses adiantaron a aparición deste escaravello, e son, di Carmen Salinero, as responsábeis doutros riscos. "As sarabiadas de días atrás causaron feridas mecánicas nas follas, nos brotes e nas xemas das plantas. Con toda a humidade e a suba inmediata das temperaturas calquera fungo pode entrar e arruinar os cultivos se non se trata". A suba das temperaturas tamén propiciou que as eirugas invernantes da bolboreta do buxo iniciaran a súa actividade devorando sebes enteiras. A Cydalima perspectalis, o papabuxos, é unha especie invasora moi voraz da que se soubo en 2014 e que se estendeu axiña por todo o país. É a causante de grandes perdas, pero pódese conter con praguicidas. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 344 do semanario Sermos Galiza en papel, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_49104 | Malia que a atención de boa parte do mundo quedou fixada en Ucraína, tamén hai outros conflitos bélicos no mundo que están a xerar crises humanitarias sen precedentes. De feito, a ONU reitera desde hai varios anos que é no Iemen onde se atopa a peor situación en todo o planeta, levando a fame a dúas de cada tres persoas. | Entre xuño e decembro, até 19 millóns de persoas no Iemen non poderán satisfacer as súas necesidades alimentarias, un máximo histórico na que xa era a peor crise humanitaria do planeta, alertaron conxuntamente a Organización das Nacións Unidas (ONU) para a Alimentación e a Agricultura (FAO), o Programa Mundial de Alimentos da ONU (PMA) e o Fondo da ONU para a Infancia (Unicef). Dous de cada tres habitantes no país de Asia Occidental pasarán fame, ao elevar a última actualización da Clasificación integrada da seguridade alimentaria en fases do Iemen as necesidades de asistencia humanitaria en 1,6 millóns de persoas máis, unha "terríbel crise de fame que se cambalea agora ao fío da catástrofe absoluta", destaca a ONU. Na fase de emerxencia de fame, unha das máis graves, inclúense até 7,3 millóns de persoas, nun conflito bélico que afecta especialmente as máis novas, con "niveis elevados e persistentes de malnutrición aguda entre as crianzas menores de cinco anos, unha realidade que padecen 2,2 millóns de nenas e nenos, así como 1,3 millóns de mulleres embarazadas ou nais lactantes. Iemen, inferno en vida para a infancia A crise alimentaria provocada pola guerra tamén dificulta que, incluso habendo axuda dispoñíbel, as "nais e pais non poden levar con frecuencia as crianzas aos centros de tratamento porque non poden asumir o custo do transporte ou os seus propios gastos mentres as menores precisan asistencia", advirte a institución. Catherine Russell, directora executiva de Unicef, aseverou que "cada vez máis nenos déitanse con fame no Iemen", asemade, "están expostos a un risco maior de sufrir deficiencias físicas e cognitivas, e até de morrer, xa non podemos pasar por alto a difícil situación das crianzas", resolveu. Os porqués da fame A situación política no Iemen intensificou a súa deterioración en setembro de 2014. Tras protestas multitudinarias na capital, Saná, en contra das políticas de Abd Rabbuh Mansur Hadi, presidente de consenso na procura dun acordo entre as distintas forzas, o movemento hutí lanzou un ataque e fíxose coa cidade en poucos días, obrigando a Hadi a asinar un tratado de paz que acabara coa violencia. Os hutís, autodenominados Ansar Allah, son un grupo político-militar de varias correntes islámicas, aínda que predominantemente zaidí chiíta. Unha vez que Hadi renegou do acordo, Arabia Saudita, liderando un conxunto de Estados rexionais como Baréin, Kuwait, Catar e Emiratos Árabes Unidos, desencadeou unha ofensiva militar en marzo de 2015 apoiada polos Estados Unidos para restabelecer o seu antigo aliado no poder. Iemen, o país co maior risco de catástrofe humanitaria Amais do uso de mercenarios, a principal actuación da coñecida como "coalición internacional" é o bombardeo aéreo constante das zonas controladas polos hutís, que tamén son as máis poboadas do país, aproveitando o seu dominio do espazo aéreo e tendo en conta que o movemento hutí nese eido apenas conta con algúns drons dedicados á sabotaxe das instalacións sauditas, sobre todo infraestrutura petrolífera.Nestes sete anos, 24.876 bombardeos foron lanzados contra o Iemen, denuncia o Yemen Data Project, que estima 8.970 mortes civís durante o conflito. Non obstante, esta campaña non evita que, paulatinamente, os hutís continúen avanzando e gañando territorio, nos últimos meses, na Gobernación de Marib. Falta de asistencia humanitaria A guerra provocou desprazamentos masivos, restricións de acceso humanitario, interrupción de servizos públicos, bloqueo dos portos, crise de combustíbel e trastornos económicos, o que levou ao encarecemento dos poucos alimentos dispoñíbeis, que xa antes da deflagración armada dependían das importacións. Con todo, a ONU salienta que un dos motivos da situación límite a nivel alimentario é a "redución na asistencia humanitaria por mor da escaseza de fondos", o que provocou "maiores niveis de vulnerabilidade para a maioría da poboación", que depende desta axuda. As distintas análises efectuadas periodicamente polo organismo subliñan que "sen unha solución permanente [á guerra] é pouco probábel que todas as demais medidas de mitigación teñan efectos duradeiros". |
NOS_51756 | Trátase dun grupo familiar de cinco persoas de orixe inglesa, ademais dunha sexta persoa que é un contacto estreito | Os seis casos de Covid-19 da Mariña son "compatíbeis" coa nova cepa de coronavirus, segundo fontes sanitarias consultadas por Europa Press. Polo momento, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) só confirmou un caso desta cepa nunha paciente da área sanitaria de Santiago procedente do Reino Unido. Así o indicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que ratificou que hai outro caso en estudo, ao que se suman o seis detectados na zona da Mariña lucense. En relación a este último, precisou que se trata dun grupo familiar de cinco persoas de orixe inglesa, ademais dunha sexta persoa que é un contacto estreito. Após realizarlles unha PCR, e dar positivo, estase á espera agora dun diagnóstico definitivo. Nova cepa O ministro británico de Sanidade, Matt Hancock, anunciaba a mediados dest mes que detectaran unha nova variante do SARS- CoV-2, o coronavirus que causa a Covid-19. A mutación dun virus é completamente normal, non é nada extraordinario. O proceso de mutación é normal en calquera virus. De feito, desde que se detectou que o virus se estendeu aos humanos -en Wuhan a principios deste ano- identificáronse moitos diferentes. Nun comunicado daquela, o Grupo Asesor sobre Ameazas de Virus Respiratorios Novos e Emerxentes (Nervtag), que asesora oficialmente o Goberno británico, anunciou que esta nova cepa pode estenderse máis rápido que outras variedades, concretamente até un 71% máis. Non hai constancia doutro cambio. A variante contén 23 cambios nun código xenético de 30.000 nucleótidos, moitos dos cales están relacionados con alteracións dunha proteína producida polo virus. |
PRAZA_13093 | Expertos en comunicación e desenvolvemento de Galicia, Portugal e América Latina afondarán este xoves, venres e sábado no funcionamento das eurocidades, eurorrexións e das comunidades que se asentan a ambas as dúas beiras destas delimitacións. | As cidades de Valença do Minho e Tui acollerán este xoves, venres e sábado unha reunión de expertos universitarios en Comunicación e Desenvolvemento, con especial atención ás rexións fronteirizas, que será inaugurada por Jorge Salgueiro Méndes e Moisés Rodrígues, alcaldes da recentemente formada Eurocidade Tui/Valença. Na primeira das intervencións, na biblioteca municipal de Valença, o secretario técnico do Proxecto Eurocidade Chaves/Verín, Pablo Rivera, achegará a experiencia da primeira Eurocidade constituída entre Galiza e o Norte de Portugal, constituída en 2007. A sesión do xoves concluirá cunha mesa moderada por Enrique Varela, director do servizo de estudos e publicacións do Eixo Atlántico. Nesta mesa, distintos axentes sociais de Tui e de Valença presentarán experiencias de cooperación transfronteiriza que xa funcionaban antes da creación da Eurocidade, como o traballo dos Bombeiros Voluntários de Valença, que prestan servizo a toda a comarca, as iniciativas no ámbito deportivo ou cultural, ou no campo do comercio. As sesións de venres e sábado terán lugar no Teatro Área Panorámica de Tui, e reunirán a expertos da Península Ibérica e de América Latina para a posta en común de distintos proxectos de investigación sobre as potencialidades das rexións fronteirizas no desenvolvemento das comunidades. Deste xeito, na xornada do venres 25 á mañá intervirán Xerardo Pereiro, do polo de Chaves da Universidade de Trâs os Montes e Alto Douro, especializado en dinámicas de desenvolvemento territorial, cunha atención especial na fronteira galego-portuguesa. Compartirá mesa co economista Xulio Pardellas, da Universidade de Vigo, autor do libro Estratexias turísticas das cidades do Eixo Atlántico, e con Roberto Mansilla, investigador do IGADI. Outra das sesións do venres amosará distintas experiencias de investigación e acción en comunidades fronteirizas de América Latina Outra das sesións do venres amosará distintas experiencias de investigación e acción en comunidades fronteirizas de América Latina, como o proxecto de Las Segovias (Nicaragua), ou a Facultad Latinamericana de Ciencias Sociales de Quito (Ecuador), así como a experiencia das rexións fronteirizas de Bolivia. As xornadas están organizadas pola Rede Europa América Latina de Comunicación e Desenvolvemento (REAL_CODE), constituída por 15 grupos de investigación de universidades galegas, portuguesas, de Europa e América Latina, co obxectivo de tecer lazos de colaboración internacional entre estudosos das áreas da Comunicación e Desenvolvemento, e ao mesmo tempo achegar a actividade investigadora á sociedade para contribuír á súa mellora. Programa das xornadas (.pdf) |
PRAZA_17815 | Oito colectivos solicitan a desafectación o espazo, que hai décadas que non ten uso portuario. Na actualidade as entidades sociais que queren organizar actividades alí deben realizar un complexo trámite e pagar unha elevada taxa. Falamos con Fran Acuña, da ACDeM Armadiña, que impulsa a demanda, apoiada polo Concello de Poio. | A Praza da Chousa, en Combarro, foi en orixe unha praia e empregouse tamén como peirao. Hai algunhas décadas cubriuse de terra, conformando un espazo de uso público a carón do conxunto histórico da vila. Hai uns anos o Concello de Poio reformouna, dotándoa dun enlousado de pedra sobre o que hoxe xogan rapaces e rapazas e no que a xente pasa a tarde sentada. A Chousa é unha praza. Porén, a pesar de que hai moito tempo que non ten xa usos portuarios, a súa xestión segue a depender de Portos de Galicia, aínda que o seu mantemento, limpeza ou iluminación corren da man do Concello. Cando unha entidade quere organizar unha actividade na praza, ten que solicitar un permiso ante Portos, un trámite longo que en ocasións é denegado e que implica ademais o pagamento dunha taxa O problema chega cando unha entidade quere organizar calquera tipo de actividade na praza. Daquela, ten que solicitar un permiso ante Portos, un trámite longo (máis de dous meses) que en ocasións é denegado e que implica ademais o pagamento dunha taxa (a asociación Armadiña tivo que aboar 340 euros por un día de uso o pasado ano). O pasado ano Portos de Galicia mudou a súa normativa, regulando a nova Lei 6/2017 a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas nos portos, e prohibindo aquelas non relacionadas directamente co mar. Nese momento, a ACDeM Armadiña decidiu solicitar a desafectación do espazo, para que pasase a ser xestionado polo Concello. "A evolución da Chousa nos últimos anos afastouna de calquera uso portuario. Chousa non é un porto, Chousa é unha praza. Na praza non hai chalanas, hai crianzas xogando. Non hai nasas, hai veciñ@s paseando. Non hai aparellos, hai xente conversando. A Chousa mudou, hoxe é a nosa praza", podíase ler no documento difundido nas primeiras semanas de xullo e que moi rapidamente recolleu un milleiro de sinaturas na vila. A entidade vira rexeitada a súa solicitude para a organizar a cuarta edición do torneo de fútbol 3x3 Armadiña, que finalmente si se puido celebrar, unha vez que Portos de Galicia cedeu ante a presión social. Este xoves outros sete colectivos sociais da vila uníronse á demanda, unha reivindicación que vai gañando peso e que conta co apoio do Concello de Poio. Marga Caldas, concelleira de Deportes anunciou en rolda de prensa que o Goberno local iniciará os trámites para solicitar a desafectación deste espazo. En setembro o tema chegará, ademais, ao pleno municipal, co debate e votación dunha moción ao respecto. "A evolución da Chousa nos últimos anos afastouna de calquera uso portuario. Na praza non hai chalanas, hai crianzas xogando. A Chousa mudou, hoxe é a nosa praza" "Hai moito tempo que a praza non ten uso portuario. Os rapaces e rapazas xogan aí coa bicicleta, coa pelota. A xente pasa as tardes sentada, falando. É unha praza", destaca Fran Acuña, da ACDeM Armadiña. "A contorna de A Chousa debe ser desafectada e traspasada a súa titularidade ao Concello de Poio. Entendemos que a praza debe regularse acorde aos intereses xerais da veciñanza e non segundo os seus usos portuarios. Queremos un acceso libre e gratuíto para a celebración das actividades e eventos na praza", sinala a entidade que, por exemplo, aínda non sabe se poderá celebrar en setembro unha xornada de xogos tradicionais que leva tempo organizando. "Tardan máis de dous meses en confirmar unha actividade, o que é moi molesto á hora de organizar calquera evento, contratar empresas... En moitas ocasións Portos de Galicia non responde até despois da realización do evento, isto crea incerteza e pon en perigo a celebración das actividades. Queremos aforrar todos estes trámites, para nós e para calquera", di Acuña. O que si está garantida a é a celebración do Festival Armadiña Rock, que terá lugar do 24 ao 26 de agosto (con La Pegatina, Amparanoia, Sés, Terbutalina, Zënzar, Banda Xangai...), xa que o evento está incluído na programación das Festas do Mar que se organizan dende o Concello. Coa nova normativa de Portos, o problema estase reproducindo noutros puntos do litoral galego Os oitos colectivos sociais que apoian a reivindicación van seguir mobilizando á poboación para buscar un cambio de posición en Portos de Galicia, nun problema que coa nova normativa se está reproducindo noutros puntos do litoral galego. |
NOS_11177 | Hai 80 anos, falamos de 6 de agosto de 1942, eran asasinados pola Garda Civil no Barco de Valdeorras catro resistentes antifascistas integrados na Federación de Guerrillas da Galiza e León. A súa morte representou un duro golpe para a primeira resistencia armada no país. | 6 de agosto de 1942 eran asasinado pola Garda Civil nun piñeiral do lugar da Fervenza, na parroquia de Santa Mariña do Monte, no concello do Barco de Valdeorras, os loitadores antifascistas Ovidio González Vázquez "O Pollón", Ildefonso Fernández Seoane "Coñeira", Manuel Monteserín "Gerardo" e Arturo López Delgado "Arturín". Segundo testemuño do dirixente guerrilleiro Mario Rodríguez Losada "Mario de Langullo, "falaron cun paisano para que lles levase un garrafón de viño a un piñeiral, a pesar de que os avisaran de que non se fiasen daquel tipo, que non tivesen ningunha relación con el, xa que todo o mundo estaba convencido de que era un confidente da Garda Civil. Pero eles non fixeron ningún caso…" "Levoulles o garrafón iso si, pero despois foi dereitiño ao Barco que estaba a uns sete quilómetros para delatalos. Os catro comeron, beberon e beberon e despois durmiron a mona. Chegaron os gardas e asasináronos alí mesmo", continúa a crónica de Langullo, que puxo o foco no papel dos confidentes no operativo de loita contra a guerrilla. O responsábel do grupo Arturo López Delgado (Vilamartín de Valdeorras 1901, O Barco de Valdeorras 1942), era naquela altura como xefe dunha unidade da Federación de Guerrillas de Galiza e León e facía parte da resistencia armada desde mediados de 1939, cando se incorporou a guerrilla do Santeiro, unidade de maioría libertaria dirixida por Serafín Fernández Ramón "O Santeiro" que operaba na Galiza estremeira, situándose posteriormente entre o grupo de fuxidos reunidos nas montañas de Casaio que tentaron pasar a Portugal A militancia de "Arturín" remóntase a maio de 1934, cando se afilia á sección local do Partido Galeguista de Vilamartín de Valdeorras. Precisamente nese ano, este labrego da parroquia de Correxais vai acadar certo relevo nas importantes mobilizacións agrarias que se viven nas terras de Valdeorras A folga do peso de 1934 O mes de xuño as traballadoras e traballadores agrícolas de Valdeorras decláranse en folga esixindo o cumprimento das condicións laborais fixadas na lexislación republicana e fundamentalmente a suba nunha peseta, de 4 a 5, no salario dos xornaleiros vitivinicolas. A convocatoria, que precisamente por iso será lembrada como "a do peso", convoca a milleiros de persoas en diversos actos de protesta que se iran radicalizando a medida que se alonga o conflito, derrotado finalmente unha vez que o Ministerio de Gobernación a declara ilegal, suspendendo as garantías constitucionais, estabelecendo a censura previa e ordenando o uso indiscriminado da forza pola Garda Civil. Arturo López Delgado, canda outras persoas do seu Concello coma Antonio López Fernández "O Corchas", estará presente no enfrontamento contra o crego José Courel que tentaba evitar que se tocasen as campás da igrexa da Portela para convocar aos A loita continua A consecuencia da represión que segue a este conflito, como algúns xornaleiros da zona, veuse obrigado a fuxir da comarca, ocupándose como mineiro nas terras do Bierzo, onde se afiliou a CNT, anteriormente facía parte dunha sociedade agraria vinculada a UGT claramente hexemónica entre os traballadores da terra de Valdeorras, regresando a Correxais a principios de 1936. O 21 de xullo, recibida as noticias de que un grupo de gardas civís e falanxistas procedentes da Rúa tentaban tomar Vilamartín, fai parte do grupo de demócratas que lles fan fronte durante catro horas na entrada da vila até que rematan a munición, agochándose posteriormente nos montes próximos e participando. Catro días máis tarde, canda outros fuxidos, participa na celebración do Día da Patria Galega no lugar de Porto de Río con cancións patrióticas. Unha vez clarexada a situación escapa a Asturias, onde se vai unir ao Exercito Popular, se ben descoñecemos cal foi o seu papel na fronte de guerra, si sabemos que unha vez derrotas das forzas democráticas é detido polos fascistas permanecendo en prisión até 1939. Precisamente, a partir deste momento comeza a loita noutras terras, unha loita que so rematou coa súa morte hai 80 anos. |
NOS_39866 | Putin denuncia "un agravamento da situación". | As forzas separatistas pro rusas que controlan as repúblicas de Donetsk e Lugansk, no leste de Ucraína, comezaron onte a evacuación en buses da poboación civil. As alarmas soaron nos dous territorios da rexión de Donbass, coa evacuación de mulleres, anciáns e crianzas, segundo informaron axencias internacionais sobre o terreo. Neste sentido, o presidente de Rusia, Vladimir Putin, ordenou onte ao ministro de Urxencias en funcións, Alexander Chuprian, crear todas as condicións necesarias para acoller os refuxiados procedentes da rexión. Confirmouno o portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, que indicou que Putin mantivera unha conversa telefónica con Chuprian, ao que encomendou saír de inmediato cara a Rostov, no sur do país, co fin de organizar a chegada de refuxiados. Está previsto que as autoridades rusas fagan entrega de alimentos e produtos básicos, ademais de asistencia médica. A decisión foi tomada horas despois de que as Forzas Armadas de Ucraína e as milicias prorrusas que controlan a maior parte de Donbass denunciasen ducias de violacións do cesamento do fogo en vigor. Ao respecto, Putin, denunciou "un agravamento da situación" e recriminou o Goberno ucraíno a súa falta de vontade negociadora. "Todo o que Kiev ten que facer é sentar a negociar con representantes do Donbass e acordar medidas políticas, militares, económicas e humanitarias para terminar este conflito", dixo, tras un encontro en Moscova co presidente bielorruso, Alexander Lukashenko, que saíu en defensa de Rusia, acusando os Gobernos occidentais de actuar de forma "estúpida" por axitar constantemente alertas sobre unha inminente invasión militar rusa sobre Ucraína. Ataques a escolas Por outra parte, varias organizacións humanitarias expresaron onte a súa preocupación polos recentes bombardeos rexistrados na rexión e alertaron de que 2,9 millóns de persoas que viven en ambos os lados da liña de contacto continúan a necesitar axuda humanitaria urxente. Nun comunicado, Médicos do Mundo e outras ONG instaron a alcanzar un cesamento do fogo duradeiro no Donbass, dado que é "a única forma de protexer a poboación civil da violencia", e exixiron ás partes enfrontadas que eviten atacar "escolas, crianzas e profesorado". |
NOS_14671 | O deputado Antón Gómez-Reino confía no "sentido común" para que saia adiante o primeiro Goberno de coalición no Estado | O deputado de Galicia en Común Antón Gómez-Reino denunciou hoxe "as evidentes trabas" que, ao seu xuízo, están a porse "de forma canto menos procedimentalmente irregular por parte de diferentes poderes e estruturas do Estado" para evitar que saia adiante a investidura do presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez. Así o asegurou en declaracións aos medios no Congreso durante a sesión de investidura, facendo referencia ás decisións deste venres da Xunta Electoral Central (JEC) de inhabilitar ao presidente de Cataluña, Quim Torra, e de rexeitar outorgar a credencial de eurodeputado ao presidente de Esquerra Republicana (ERC), Oriol Junqueras. "Vai imperar o sentido común" Non obstante, Gómez-Reino asegurou que está convencido de que "vai imperar o sentido común" e de que finalmente vai ser posible conformar un Goberno de coalición "histórico" pactado entre o PSOE e Unidas Podemos, se Sánchez é reelixido, como está previsto. "Eu creo que ten que ser ERC a que diga o que vai facer. Nós somos moi escrupuloso e respectuosos con isto, pero estamos convencidos do cambio de ciclo no conxunto do Estado e tamén en Cataluña e sen dúbida vai imperar o sentido común, máis aló das evidentes trabas que se están poñendo de forma canto menos procedimentalmente irregular, por parte de diferentes poderes e estruturas do Estado", manifestou. |
NOS_30435 | A apertura do Servizo de Apoio Familiar Integral e Multidisciplinar, que estes días presenta por todo o territorio a Asociación de Pais e Nais Divorciados de Galiza, alertou unha trintena de colectivos sociais que reclaman o peche desta unidade. | Unha trintena de colectivos sociais denuncian a apertura do servizo "público" de atención familiar que estes días anuncia a Asociación Galega de Pais e Nais Divorciados. Segundo din, ocentro conta co apoio financeiro da Xunta de Galiza e coa colaboración da Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago de Compostela mais do Grupo de investigación en Psicoloxía Xurídica da Universidade de Vigo. Ademais de cuestionar estas axudas públicas, manteñen que a unidade pretende ocupar un espazo de "enorme relevancia" en casos de divorcio ou separación moi conflitivos, que poden chegar a comprometer os dereitos fundamentais de nenos, nenas, adolescentes e nais; vítimas en moitos, as máis das veces, de abusos sexuais e violencia de xénero. Divorcios conflitivos Explícao a Sermos Galiza o responsábel da área xurídica da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME). Para Víctor Manuel López Casal, este novo servizo ignora a "realidade social" que se agocha tras os divorcios máis duros. "Esta unidade non aborda a orixe das separacións e dos divorcios conflitivos, que está nos abusos sexuais e a violencia de xénero. Un de cada cinco menos son abusados. Só se denuncia 4% dos casos e 70% sobresense en fase de instrución". Esta unidade non aborda a orixe das separacións e dos divorcios conflitivos, que está nos abusos sexuais e a violencia de xénero. Tamén nos casos de violencia machista, engade. Hai moitos que non prosperan nos xulgados e que deixan tras de si un procedemento civil complexo e esencial sobre o réxime de custodia e visita dos fillas menores de idade. "Quen promove este servizo de atención a familias separadas promove a figura do coordinador parental", explica Víctor Manuel López, "unha figura xurídica non regulada e suxeita a patente por parte de Fundación Filia, que leva aos espazos públicos o seu discurso negacionista da violencia de xénero e o abuso sexual infantil". Alienación parental Son, engade, persoas defensoras da síndrome de alienación parental, unha ideoloxía que busca desacreditar o testemuño de nais e crianzas denunciantes de calquera tipo de violencia. "É moi preocupante que cheguen a prosperar espazos así, xestionados por intereses privados con fondos públicos, que máis que aportar unha solución favorecen un mecanismo de presión e coacción sobre as vítimas". AGAMME e outras 28 asociacións de dereitos da infancia, de loita contra a violencia de xénero, colexios profesionais, sindicatos e os partidos da oposición no Parlamento de Galiza asinan un comunicado que xa entregaron na Consellaría de Política Social para pedirlle a retirada do apoio financeiro a esta entidade. Unha trintena de colectivos sociais alerta do perigo dun uso indebido e interesado da figura de coordinación parenteal, carente dunha regulación que asista os dereitos das usuarias. Pero non só. Alertan do perigo dun uso indebido e interesado da figura de coordinación parental, carente dunha regulación que asista os dereitos das usuarias. Por iso fan fincapé na necesidade de vixiar calquera iniciativa que busque intervir sen "garantías nin imparcialidade" nun ámbito tan sensíbel, de forma que unha actuación "inaxeitada pode poñer en risco o benestar de persoas menores de idade". A Xunta referenda as axudas concedidas Desde a Consellaría de Política Social xustifican que "non se trata dun servizo prestado pola Xunta de Galiza, senón dunha iniciativa privada que conta con financiamento autonómico a través dunha liña de axudas específica, da que se pode beneficiar calquera entidade que reúna os requisitos". No caso da Asociación Galega de Pais e Nais Divorciados, "presentou un proxecto que reunía todas as características técnicas axeitadas para a concesión da axuda", explican, e inciden en que para a concesión do apoio financeiro avaliaron tanto o contido da iniciativa como "a participación de profesionais do ámbito en cuestión". |
NOS_31848 | A normativa local do goberno de Carlos Negreira multa con 100 euros a toda persoa que revolva o lixo, segundo o concello porque "deixa sucia a contorna". Normalmente, só andan nos contedores persoas en busca de comida. | Segundo diversas informacións, en só dous dias a policía municipal da Coruña -e non é a primeira vez- denunciou a sete persoas por rebuscar nos contedores de lixo, probabelmente na busca de comida. Os denunciados foron interceptados en varios puntos da cidade e teñen entre 24 e 45 anos. Segundo a normativa municipal do goberno de Carlos Negreira (PP) esta actividade mancha a contorna, polo que as persoas identificadas pola policía local seguramente terán que afrontar multas por valor de 100 euros. Hai tres meses, o BNG pediu no Concello que se derogara esa ordenanza, pero non foi escoitado. |
NOS_19563 | Considera que é ilegal o punto no que se define o pobo catalán como suxeito político e xurídico soberano. As formacións cataláns falan dunha declaración "política". | 12-0. Así, con simil futbolístico de goleada, informaban os medios españois a media tarde desta terza feira de que o Tribunal Constitucional español declaraba, por unanimidade dos seus 12 membros, inconstitucional a declaración de soberanía do Parlament de xaneiro de 2013. O tribunal español admitiu parcialmente o recurso presentado polo goberno español. Considera o TC que é ilegal o primeiro punto da declaración no que se afirma que o pobo de Catalunya é un suxeito político e xurídico soberano. Iso si, o Tribunal non encontra que sexa inconstitucional, apunta Vilaweb, a referencia da declaración sobre o dereito a decidir de Catalunya no marco da lei. Os e as maxistradas do TC non agardaron a que se resolvese a recusación que o Parlament aprobou presentar contra o presidente, Pérez de los Cobos, militante do PP, e 2 maxistrados máis. Seguir adiante No campo político catalán, as primeiras reaccións foron as de CiU, considerando que a decisión do TC é máis política que xurídica, e a da CUP, chamando a facer caso omiso desa sentenza. Para Esquerra (ERC) a mellor resposta é manter "a folla de rota prevista" e realizar o referendo. Até ICV asegurou que "ningún tribunal" quebrará a vontade de votar d@s cataláns. No outro extremo, Ciutadans, que mostrou a súa satisfacción coa resolución do TC; e o PP, que pide "punto e final" para o proxecto independentista. |
NOS_28503 | As primarias de En Marea están en marcha e o confronto non ten volta atrás. Esta segunda feira, Luís Villares, candidato á reelección ao fronte da candidatura Coidando a Casa, puxo directamente no albo Podemos Galicia, a quen atribúe intencións de controlar a confluencia. As primarias son sinteticamente o combate entre dous modelos distintos de organización: ou o soberano ou o dependente, veu dicir. | As primarias non van só de persoas —ou a reelección de Luís Villares ou o seu relevo polo ex deputado no Congreso David Bruzos—, senón tamén do contraste de proxectos distintos para a confluencia. Esta segunda feira, Villares resumiu o confronto nestes termos: "Un modelo que sexa plenamente soberano, no sentido de que son os inscritos os que deciden o rumo político de En Marea ou un proxecto que teña dependencias de espazos políticos que sexan externos á Marea". E nesa dirección Villares —que fixo estas declaracións nunha conferencia de imprensa realizada en Lugo— carga basicamente contra Podemos, a forza política con máis efectivos (persoas inscritas) e, portanto, con máis capacidade para desequilibrar a votación, prevista entre o 1 e o 3 de decembro. Villares reprochou ao recén eleito secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, a súa ausencia no último plenario de En Marea e a súa declarada vontade de outorgar un rol relevante á formación morada dentro da confluencia. "Non debe ser un partido o que ocupe a centralidade, son as persoas as que teñen que ocupar a centralidade", enfatiza o candidato á reelección. "Sería bon que o secretario xeral de Podemos en Galiza o tome en conta. Quen ten que decidir todo na Marea son as persoas. Persoas que por suposto poden estar afiliadas a un ou outro partido e iso é unha 'sumatoria'. Por iso son tan importantes os debates que facemos e por iso é tan importante vir aos plenarios, algo que non fixo o secretario xeral de Podemos en Galiza", dixo Villares. Villares, a Podemos Galicia: "Non debe ser un partido o que ocupe a centralidade, son as persoas as que teñen que ocupar a centralidade" Por súa parte, o parlamentar no Pazo do Hórreo e militante do sector errejonista de Podemos Marcos Cal declinou esta mesma segunda feira "entrar" en avaliacións sobre se o proceso das primarias vai ser tutelado pola formación liderada por Pablo Iglesias. Defendeu traballar "en positivo" e puxo en destaque que agora son as persoas inscritas —por volta de 4.400— as que "teñen que decidir". O deputado pronunciouse nestes termos ao ser interpelado polos meios durante unha conferencia de imprensa no Pazo do Hórrreo convocada para dar a coñecer medidas de En Marea de combate contra a violencia machista. Cal fai parte da lista Entre todos En Marea, a fórmula cristalizada polo sector crítico para tomar o poder orgánico na confluencia e que encabeza o ex deputado no Congreso David Bruzos. O seu núcleo básico é a Mesa da Confluencia, a nai nodriza en que navegan Podemos, Esquerda Unida e a Anova oficial e cuxo referente é Martiño Noriega, visto na contorna de Villares como un dirixente con ambicións de ser o cartaz do partido instrumental nas eleccións galegas de 2020. Paula Quinteiro apoia a lista liderada por David Bruzos por que, segundo dixo, integra a "maior parte" das marés municipalistas Presente na mesma conferencia de imprensa, a deputada Paula Quinteiro, tamén de Podemos, en concreto da corrente Anti-Capitalista, expresou tamén o seu apoio á candidatura de Bruzos, que ve como "moi plural" por integrar a "maior parte" das marés municipalistas. Quinteiro foi protagonista dun polémico affaire —viuse envolvida nun incidente nocturno coa policía local compostelá— que resultou na súa petición de demisión, non aceptada, por parte da dirección encabezada por Luís Villares. A cuestión saldouse cunha consulta á militancia de En Marea, que abrumadoramente se inclinou a favor da demisión de Quinteiro. Esta non se sentiu vinculada ao referendo por considerar que non rexistou unha participación suficientemente representativa da vontade das bases. |
PRAZA_20554 | O club Rías Baixas, da man do seu presidente José Luis Chamorro, impulsa un conxunto profesional en Galicia para dentro de ano e medio, negocia xa con patrocinadores para xuntar tres millóns de euros anuais e presenta un acordo cun bufete de avogados para dar seguridade xurídica ás empresas | O soño de recuperar un equipo ciclista profesional galego volve cada pouco. Desta vez, da man do Club Ciclista Rías Baixas, que aposta forte e vén de anunciar a súa intención de facelo rodar xa en 2019. O seu presidente, José Luis Chamorro, deu o primeiro paso ao asinar un acordo co bufete Gándara Moure, co que pretende dar seguridade xurídica ás empresas interesadas en patrocinar este proxecto que ocuparía o baleiro que neste deporte deixou o Xacobeo Galicia, desaparecido hai xa case sete anos. "Tomamos a iniciativa de crear un equipo profesional, colocar Galicia de novo no máis alto do ciclismo internacional" "Tomamos a iniciativa de crear un equipo profesional, colocar Galicia de novo no máis alto do ciclismo internacional", asegurou Chamorro nunha comparecencia á que asistiron os ex-ciclistas profesionais Marcos Serrano e Álvaro Pino, que colaborarían no proxecto, que debería ter todo pechado no final do verán do vindeiro 2018. Así, podería comezar a competir como conxunto de categoría continental pro xa en 2019. Para facelo, o cálculo é que se precisarían tres millóns de euros anuais. Como propósito, formar un equipo con maioría de corredores galegos e que acolla os ciclistas do país que agora buscan o seu futuro fóra. O polémico e discutido final do Xacobeo Galicia -antes Karpin Galicia- está na cabeza dos impulsores, que contan como aval a excelente traxectoria do Rías Baixas en categoría amateur. De aí este primeiro acordo con avogados experiimentados: "Un equipo mal xestionado pode provocar problemas ás firmas e queremos aclarar que todo se vai facer baixo a absoluta excelencia", asegurou Agustín Gándara, socio fundador do bufete que se encargará de "prestar colaboración xurídica e conseguir que haxa total transparencia para as empresas". O equipo, que estaría conformado maioritariamente por corredores galegos, precisaría 3 millóns de euros anuais O proxecto do Rías Baixas chega dous anos despois de que aparecese o impulsado polo ex-ciclista profesional Jesús Blanco Villar e que acabou por non prosperar. Agora, Chamorro di ter xa avanzadas negociacións con patrocinadores, centradas en compañías privadas e importantes galegas. Aínda que aposta por un equipo co apoio empresarial como principal, non descarta a axuda das administracións e advirte dun proxecto que "situará Galicia no punto máis alto". O triste final do Xacobeo Galicia De confirmarse, o proxecto viría recuperar o equipo profesional co que Galicia contou entre 2006 e 2010 e ao que a Xunta retirou o seu apoio. Non obstante, o Goberno galego e diferentes deputacións provinciais investiron nos últimos anos miles de euros para traer etapas da Vuelta a Galicia. Algúns dos ciclistas que formaran aquel Xacobeo Galicia criticaron con dureza a Xunta logo da desaparición do equipo. "O ciclismo galegou quedou orfo", aseguraba o seu líder, Ezequiel Mosquera, nunha longa entrevista con Praza.gal. "O que faltaba para que o equipo seguise era un millón de euros. Sen crise ou con ela, un millón de euros gástase en calquera cousa. Antes de que pasase nada, este equipo xa non existía. Incluso gañando a Vuelta a España se cadra non seguía. Calquera equipo co noso rendemento e co noso orzamento tería conseguido un patrocinador", aclaraba un ciclista que recoñeceu que a Xunta "lle tiña pouco aprecio" á formación. "A política estivo na orixe da decisión final sobre o Xacobeo; non se sentían cómodos cun proxecto creado por outro goberno" Outros como Delio Fernández, Gonzalo Rabuñal ou Gustavo Domínguez tamén foron claros ao asegurar que o Executivo buscou "escusas" para acabar co equipo e que a "liquidación" repentina do conxunto impediulles a moitos continuar coas súas carreiras. "Doía ver como a nós nos debían cartos e logo gastaban case dous millóns de euros no Obradoiro para darlle de comer aos de fóra, porque non había nin un só xogador galego no equipo", dicía un. "A política estivo na orixe da decisión final; non se sentían cómodos cun proxecto que fora creado por un goberno doutra cor política", remataba outro. Agora, a esperanza reaparece. |
NOS_51277 | Compartirá protagonismo co candidato á presidencia da Xunta, José Canedo, nun cartaz cuxos textos estarán integramente en español. | Unión Progreso y Democracia vén de facer público, a través da súa conta oficial na rede social Twitter, o cartel electoral que empregarán durante a campaña das eleccións galegas do 21-O. A peza estará presidida polo lema "Somos libres" e o elemento central será unha fotografía onde partillan protagonismo José Canedo, o seu candidato á presidencia da Xunta e máis Rosa Díez, líder estatal da forza de dereita españolista. O pouco texto que figura no cartel estará impreso integramente en español, remarcando o perfil galegófobo da formación. |
PRAZA_12050 | O ilustrador coruñés Alberto Vázquez foi un dos protagonistas da noite do domingo. O seu Birdboy obtivo o Goya á mellor curta de animación. | Birdboy foi un dos protagonistas da gala de entrega dos Goya. Acadou o premio á mellor curta de animación, demostrando -xunto con Arrugas- que a animación galega segue gozando de moi boa saúde. Alberto Vázquez amósase modesto co seu Goya: "é unha ferramenta de promoción do teu traballo, do que fixeches. Supón pechar un ciclo e que a xente a poida ver na web, e está moi ben de cara aos seguintes proxectos". Entre eses proxectos está o dunha longametraxe de animación, aínda en fase de financiamento, e o dunha nova curta, ademais do seu traballo como ilustrador. Repite que o premio supón o peche dun ciclo, dun proceso de sete anos que se inicia en 2005 coa publicación do álbum Psiconautas: "Pedro Rivero leuno, gustoulle e pensou que era fácil adaptalo. A nosa idea era facer unha longa, pero nese momento non se puido. En vez de facer probas de animación, preferimos facer a curta, porque así tes unha historia pechada e podes vendela, de cara a conseguir financiamento para a longa". Un salto ao baleiro A curta percorreu ducias de festivais en todo o mundo, entre eles o prestixioso certame de animación de Annecy, e mesmo foi preseseleccionado para os Óscar. Non tivo uns inicios doados, pois para o seu financiamento (75 mil euros), Pedro Rivero e Alberto Vázquez tiveron que achegar unha parte do capital. Foi como saltar ao baleiro, sen saber se o proxecto ía ser minimamente rendible ou se ía ser ben recibido: "é complicado, son malos tempos, sobre todo para un proxecto de animación non comercial e non destinado ao público infantil. Por iso puxemos nós os cartos, pero mereceu a pena. O proxecto péchase ben co Goya, cunha medalla", di Alberto Vázquez. Sobre o futuro de Birdboy e a posibilidade de que a curta se convirta nalgún momento en longametraxe, Vázquez é cauto: "temos o guión e temos a fase de preprodución propia, pero non puido ser, por causas externas. Eu sigo con outros proxectos; se sae para adiante, perfecto". Páxina de Birdboy |
NOS_31187 | O informe deste laboratorio de ideas da CEOE lexitima a detención dos políticos soberanistas e a ilegalización dos partidos que apoien a independencia. | `La cuestión catalana II. Balanzas fiscales y tratamiento fiscal de Cataluña' é o título do informe elaborado polo Instituto de Estudos Económicos (IEE), 'think tank' da gran patronal española, a CEOE. Este documento inclúe 'Panorámica del argumentario economicista a favor de la independencia de Cataluña: mitos y realidad' do que é responsábel a Clemente Polo, catedrático da Universidade Autónoma de Barcelona, e lexitima a intervención do exército español en Catalunya de proclamar o Parlament a independencia. O traballo, aliás, presenta un escenario no que se procedería a arrestar a políticos e dirixentes implicados no proceso de independencia e no que se ilegalizaría ás formacións e partidos independentistas. "A secesión de Catalunha non cabe na Constitución, aínda que apoie o 51% ou o 62% dos cidadáns". Hiperinflación, fuga de capitais... O estudo foi presentado en Barcelona por dirixentes da IEE, que vaticinaron o desastre para Catalunya de se independizar: hiperinflación, deslocalizacións, fuga de capitais... Os responsábeis deste laboratorio de ideas da gran patronal española lamentaron que o goberno central estivese 'desaparecido' e non faga fronte o proceso soberanista. Negaron que Catalunya estivese máis marxinada que outros territorios en financiamento e criticaron a 'campaña de marketing persistente e exitosa' que lle fai crer iso os cataláns. |
NOS_57329 | Un preso do centro penitenciario da Lama (Pontevedra) mantén un xexún indefinido para denunciar "as habituais vulneracións de dereitos fundamentais" en prisión. | Desde o 14 de agosto o preso Emilio Sánchez del Peso desenvolve unha folga de fame na prisión da Lama (Pontevedra). O recluso denuncia "as habituais vulneracións de dereitos fundamentais" aos que, di, son sometidos os reclusos nas cadeas do Estado español e, máis concretamente, aqueles que se atopan en módulos de illamento. Nos perto de 2 meses desde que iniciou o seu protesto, Sánchez del Peso perdeu por volta de 20 kg. pasando de 73 a 53kg. Porén, o seu avogado denuncia que até o momento "non foi trasladado á enfermaría nen ao hospital", segundo informan desde o colectivo Campaña Cárcere = Tortura, do que é integrante Emilio Sánchez. Malia perder 20kg. en perto de 2 meses, institucións penitenciarias non trasladou o recluso nen á enfermaría nen ao hospital Unha década en FIES 1 "Debemos contextualizar o protesto após o falecemento repentino do preso Eugenio García Serrano, 'Gaviotu', neste mesmo módulo de illamento da Lama", explica o avogado de Sánchez del Peso. Ao igual que o recluso en xexún, García permanecía en FIES 1 --o grao máis restritivo. Sánchez del Peso mantén desde hai unha década esta condición coñecida como 'Control Directo' e que institucións penitenciarias fixa para internos considerados especialmente conflitivos e perigosos. Emilio Sánchez atópase en prisión, explica o seu letrado, por pequenas condenas e atópase no último tramo da pena, "o máis laxo de todos", acrecenta. No entanto, salienta, "é habitual que os presos que desenvolven lexítimos actos de protesta na cadea sexan castigados con sancións administrativas que carrexan a imposibilidade de progresaren de grado ou mesmo o aumento da condena". Sánchez del Peso denuncia "torturas" e "maos tratos" nos módulos de illamento e reclama investigacións para as mortes dos reclusos Sánchez del Peso visa difundir co seu xexún as reivindicacións da Campaña Cárcere = Tortura, que abrangue 60 presas e presos e que apoian decenas de activistas a prol dos dereitos humanos de todo o estado, entre os que se atopan avogados, educadores e traballadores sociais, xornalistas e estudantes, entre outr@s. Evidenciar as "torturas" e "mortes" nas cadeas Entre as súas denuncias atópase evidenciar "as torturas e malos tratos habituais" no sistema penitenciario español, principalmente nos módulos de illamento, a "conivencia do servizo sanitario" e a "ineficacia das denuncias" presentadas polos reclusos que son, aliás, punidos con "sancións encubertas", afirman desde Cárcere = Tortura. Así mesmo, o avogado de Emilio Sánchez asegura que a campaña ten por obxecto deitar luz sobre o "elevado número de mortes na cadea". Algo que, lembra, "é responsabilidade última da administración". |
PRAZA_15909 | Na política, a linguagem da opressom utiliza a manipulaçom sexual às vezes a grande escala, inclusive contra coletivos de pessoas. As últimas em ser alvo desses ataques contra a sua liberdadee dignidade sexual forom as militantes da CUP. | Umha conduta catalogada como assédio laboral e escolar é a manipulaçom sexual. Extender rumores ou fazer insinuaçons ou afirmaçons explícitas sobre o comportamento, as intençons ou as preferências sexuais de umha pessoa com a clara intençom de humilhá-la ou degradá-la. Na política, a linguagem da opressom utiliza a manipulaçom sexual às vezes a grande escala, inclusive contra coletivos de pessoas. As últimas em ser alvo desses ataques contra a sua liberdadee dignidade sexual forom as militantes da CUP. Quando se fixo público que a CUP decidira nom dar o seu apoio a Artur Mas para a investidura como President, twitter ardia com o qualificativo de "puta", dedicado sobre tudo a quem se considera a voz mais destacada dentro do setor na altura contrário a votar a Mas, Anna Gabriel. Puta neste caso é um qualificativo que vai mais alá de ser a denominaçom vulgar de umha profissional do sexo. Neste caso pretendia assinalar umha pretensa conduta sexual moralmente reprovável. Mais ainda, é frequente que se qualifique de puta a umha mulher malintencionada, retorcida, astuta, traidora, nom de fiar. Sintomático da misogínia que impera numha sociedade, que se desqualifique a umha mulher e as suas atuaçons públicas atacando a sua identidade sexual. Que o insulto seja "puta", tem a ver com a escala de valores patriarcocéntrica com a que medimos o sexo e a sexualidade. Ultimamente também os altofalantes do espanholismo se estám a referir às mulheres das CUP como mulheres carentes de atrativo físico e sensualidade e refractárias às relaçons sexuais; apareceu, creio recordar, por algum lado a palavra "frígidas" e também "malfolladas". De novo o machismo e a misogínia operam para manipular sexualmente. Som frígidas e fodem mal, porque nom tenhem o comportamento que o patriarcado lhes pretende impôr como correto. Segue causando rancor e ódio que as mulheres tenham um papel visível em política e mais ira provoca quando o facto de que os seus posicionamentos trunfem se interpom nas aspiraçons de um homem, neste caso Artur Mas. Ainda pior se aceita que rostos femininos representem umha opçom anti-sistémica que refuta o poder masculino, as leis do capital e o dogma imperialista espanhol. É insuportável para os poderosos a insolência de umhas mulheres que abandonam a tarefa de agradar como deve fazê-lo umha mulher e aspiram a fazer política desde umha óptica de esquerda revolucionária. Parece mentira, mas é verdade. Tiverom que sair à palestra pública a explicar que som pessoas normais, que gostan do sexo, que tenhem tendência sexual, parceiros ou parceiras sexuais, desejo sexual... em poucas palavras: sexualidade. O que nom é sexualmente sano, entroques, é acreditar-se com direito para julgar a sexualidade de outras pessoas, e, o que resulta claramente reacionário é categorizar a mulheres que fam política com arranjo a patrons sexuais patriarcais e machistas. |
NOS_36423 | A Deputación de Lugo colabora desde o mes de xuño e até novembro, da visibilización do colectivo LGTBI+ a través da programación Lugo Diversx, que organizan os colectivos Arelas, Avante LGTBI+ e Sete Outeiros. Maite Ferreiro, vicepresidenta desta institución, partilla a idea da necesidade de normalizar o día do Orgullo tamén coa implicación da rede museística, facendo coincidir celebracións dentro dos actos previstos. | Nós Diario tamén pon a súa parte na visibilización do orgullo LGTBI+ coa convocatoria do I Certame de Microrrelatos sobre a Diversidade Sexual, cuxo prazo de recepción de orixinais remata esta sexta feira, día 23. Que papel deben xogar as institucións na visibilización do orgullo LGTBI+? Debemos contribuír á plena normalización social da diversidade sexual e de xénero e, non sendo a única ferramenta, a visibilización do orgullo axuda a avanzar nesa dirección. Cremos que esa visibilización se debe facer desde todas as áreas de goberno, de forma continuada, máis aló de días concretos, e a partir dun diálogo estreito e dunha escoita activa dos colectivos LGTBI+, das necesidades e das propostas que formulan. Nos actos polo Día do Orgullo, que organizamos da man dos colectivos Arelas, Avante LGTBI+ Lugo e Sete Outeiros, que son vangarda na visibilización da diversidade sexual en Galiza, sorprendeunos que nos comentaran que moitas veces teñen dificultades incluso para dispor de espazos institucionais para organizar actos reivindicativos. Que opina da experiencia de socializar o orgullo a través de microrrelatos no I certame que organiza Nos Diario [este 23 de outubro é a última oportunidade para enviar os textos] e coa que colabora a Deputación? Valoramos moi positivamente os proxectos culturais e artísticos de temática LGTBI e en xeral todas as accións de sensibilización e de promoción da diversidade, sobre todo cando se aposta en manter esa temática máis aló de datas concretas como a do Día do Orgullo. Os medios de comunicación xogan un papel moi importante nesa normalización plena da diversidade sexual da que falabamos ao comezo. Agardamos que a iniciativas teña boa acollida e que se manteña. Queda moito por facer para que na nosa sociedade non haxa discriminación por este motivo? Sen dúbida. Hai moitos eidos nos que avanzar en relación cos dereitos e liberdades das persoas LGTBI+, mesmo en cuestións básicas como a atención sanitaria ou a inserción laboral. É necesario afondar na formación do persoal educativo e no apoio e asistencia ás familias e ás mozas e mozos, para que non afronten soas situacións de discriminación ou de acoso. Este ano, no Día do Orgullo, os colectivos convocantes puxeron o acento na situación das mulleres lesbianas, bisexuais e transexuais, historicamente sometidas a unha dobre discriminación pola súa condición de mulleres nunha sociedade machista e pola súa identidade e orientación. Por outra parte, estamos nun momento en que rexorden discursos que cuestionan ou negan abertamente os dereito e liberdades das persoas non heteresexuais. Temos que estar atentas, e rebater con contundencia estes posicionamentos. Lugo terá unha iniciativa pioneira, unir o Día do Orgullo e o Día dos Museos, como se levará a cabo? Vinculamos o Día do Orgullo co Día dos Museos a través da programación cultural Lugo Diversx que vén desenvolvéndose desde o propio 28 de xuño, e que inclúe palestras, concertos, accións de visibilización nas redes sociais e unha exposición sobre a loita da comunidade LGTBI polos seus dereitos e liberdades. É unha mostra itinerante, que puxemos a disposición de asociacións e centros educativos e que puido verse tamén na Praza de San Marcos, na sede da Deputación Provincial, e nos xardíns do Museo de Lugo. A idea de vincular as dúas datas sae da Rede Museística Provincial, que desenvolve un labor moi recoñecido no ámbito da museoloxía social e que aposta pola inclusión, a igualdade e a diversidade tanto na súa programación como nas actividades coa comunidade educativa e con outros colectivos sociais e entidades do terceiro sector. |
PRAZA_15873 | O alcalde da Coruña e o de Ourense falaron no III Foro Revbela Nova Política de rexeneración, corrupción, o grupo de EnMarea, as fórmulas de concorrencia e ata de Maduro, ETA ou Ada Colau | O III Foro Revbela Nova Política convidou ao alcalde da Coruña pola Marea, Xulio Ferreiro e ao de Ourense, o popular Xesús Vázquez para afondar no concepto de nova política. Comezou Xesús Vázquez afirmando que "non falaría de nova política". "A política é xestionar o ben común, os problemas derivados da convivencia colectiva e adoptar decisións que non sempre van gustar a todos", explicou o exconselleiro. "A miña prioridade é facer de Ourense unha cidade atractiva", continuou, "xerar riqueza e emprego, sobre todo para os grupos que o están pasando peor, como a mocidade e os anciáns". "Para resolver os problemas hai que escoitar, tamén a quen manifesta opinións diferentes á túa", concluíu Xesús Vázquez. Xulio Ferreiro esgrimiu argumentos contrarios ao soster que "si que hai un novo xeito de facer política, que ten como punto de inflexión o 15M". "Os cidadáns percibían unha desconexión entre os partidos e eles e que quen ocupaba os postos non atendía aos problemas reais das persoas", continuou o alcalde. Ao fío disto engadiu que "a todo isto súmase a corrupción estrutural do sistema político, que xa non é unha cuestión de ovellas negras ou mazás podres, é estrutural". Para Ferreiro a nova política plásmase "no que", é dicir, nas liñas programáticas dun programa de "rescate social e democrático", e "no como", isto é, "transparencia, participación, primarias ou código ético". Para o coruñés, o reto reside en trasladar todo isto ás institucións. "A corrupción non é unha cuestión de ovellas negras e mazás podres, é estrutural" Partidos e suxeito político líquido Ferreiro tamén indicidiu en que o "suxeito político" que, no caso galego, se "derivou de todo isto, non é sólido, senón flexible e líquido e por iso pode adaptarse ás circunstancias". O alcalde indicou que "a fórmula das municipais non foi a mesma cá das xerais e agardo que tampouco sexa o mesmo nas autonómicas". "A fórmula de concorrencia das municipais non foi a mesma cá das xerais e agardo que tampouco sexa o mesmo nas autonómicas" Vázquez retrucou que "todos integramos á cidadanía e aos veciños porque presentas un programa previo e é esa cidadanía a que decide co seu voto". Ao fío disto engadiu que "cando se cambian as normas de xogo chegamos á situación na que se atopan moitos cidadáns españois que se preguntan para que valeu o seu voto se a un mes das eleccións non vai ser significativo ou que o programa que votaron non se cumpliu, porque ao mudar as regras de xogo, en realidade tamén estás mudando o programa". "Eu entendo que podemos ter diferenzas no modelo de xestión", continuou o ourensán, "pero tamén que todo político actúa de boa fe, perseguindo o beneficio da veciñanza". "O PP e o PSOE cometeron erros pero levan tamén demostrado moitas cuestións neste país porque se chegamos a este momento foi porque houbo ciclos previos nos que se sucederon PP e PSOE e a propia Constitución fixo que os que nacemos hai 40 anos recordemos como estabamos daquela e como están hoxe. Eu recordo en que condicións estudaba eu na escola e vexo como estudan os meus sobriños ou os meus alumnos. Con isto quero dicir que hai partidos que contribuíron moito ao desenvolvemento social e que non se pode demonizalos", proseguiu Vázquez. "O PP e o PSOE contribuíron moito ao desenvolvemento social e non se pode demonizalos" Para Ferreiro, hai cuestións que "non teñen que ver coa bondade nin coa maldade, eu falo de comportamentos políticos". "Estamos mellor no 2006 que no 1974?", reflexionou o coruñés ante as declaracións de Vázquez, "pois espero que si, en moitas cousas, noutras, non sei. Eu penso na estabilidade laboral e familiar que tiñan meus pais con 25 anos e compároa coa dos rapaces de hoxe e estes non gañan". "Non é cuestión de bos nin de malos, é de método", proseguiu Ferreiro que, recollendo o fío dos programas electorais mencionado polo seu homólogo ourensán, afirmou que "como moito eran declaracións de intencións, cando non puros elementos de propaganda sen ningún viso de ser cumplido". O alcalde da Coruña describiu o programa da Marea e Xesús Vázquez sinalou que "practicamente lle estaba describindo o programa do PP de Ourense. "Eu penso na estabilidade laboral e familiar dos meus pais con 25 anos e compároa coa dos rapaces de agora e estes non gañan" Ferreiro asegurou que na Coruña houbo "socialistas históricos" que lle confirmaran que agora eran da Marea porque "sinten que o PSOE os traizoou". Vázquez retrucoulle que "non se pode personalizar" porque "hai persoas de Ourense en Común que me din: Xesús, antes que haxa outro goberno, estou encantado co que estás facendo e seguramente hai xente de Podemos que di que antes de que goberne outro dos grupos, mellor que quede Xesús", no que pareceu unha referencia velada a Democracia Ourensana. "As mareas non son unha fórmula diferente, Podemos non é unha fórmula diferente" "Eu non lle quito mérito aos partidos, simplemente creo que hai dispositivos que foron útiles en 1980 e que en 2016 xa non o son", continuou Ferreiro. "Son crítico cos partidos porque eu tamén militei nun, e estaba a gusto, pero vía os problemas que ese tipo de militancia tiña, por exemplo de reprodución de cadros, de relación entre a base e a cúpula... e hai xente que estamos ensaiando outras fórmulas políticas, sen xerarquía e traballando en rede, máis parecido a como traballan empresas como Google", concluíu o coruñés. Vázquez sostivo que ese é o "principio dun erro" porque "as Mareas non son unha fórmula diferente, Podemos non é unha fórmula diferente porque Podemos, sen estar gobernando, está tendo centos de problemas internos aquí en Galicia, que din ti si, ti non, e a ti bótote se quero". "Se me dis que non militas nun partido, disme que A Coruña non está xestionada por unha estrutura política, entón póñome a tremer" O alcalde de Ourense espetoulle a Ferreiro que tamén milita nun partido político. "Chámalle como queiras, Xulio", dixo Vázquez, "pero entón estasme dicindo que a cidade da Coruña non está xestionada por unha estrutura política, se me dis iso bótome a tremer". Ferreiro contestou que non é o mesmo un partido que unha estrutura política, "non, claro, non é o mesmo un cura que unha monxa, pero pertencen ambos á Igrexa Católica. Sodes un partido político, outra cousa é como queirades vendelo, que me parece ben e é lexítimo", sentenciou o ourensán. Corrupción e grupo parlamentario propio Jesús Vázquez mostrouse moi crítico coa resposta do PP á corrupción. "Avergóñome de todas as persoas que usan a política para enriquecerse", afirmou. Ao fío disto engadiu que ao seu partido "lle pasou factura, a xente tiña a sensación de que o PP convivía coa corrupción, por iso me gustaría que as medidas tivesen sido máis contundentes". "Creo que son poucos casos pero vergoñentos, e a min é o primeiro ao que isto me fai dano, porque eu teño que pedir o voto para o PP, ao que pertenzo por ideoloxía, e é complicado deixar horas e horas de traballo e ao final quede só iso", continuou. Iso si, Vázquez matizou que a corrupción non provén só dos "partidos da transición, senón que xa afecta tamén a partidos de nova creación, con casos de corrupción ou posta a dedo de familiares, como foi o caso de Ada Colau". "A min gustaríame que o meu partido tivese dito isto está mal, vostede fóra, e non só fóra, devolva o que colleu", concluíu. Ferreiro replicoulle que é certo que ninguén está libre de "ter un compañeiro ou compañeira que use recursos públicos con fins pouco éticos", pero que do que "si o está é de arroupar iso". "Avergóñome de todas as persoas que usan a política para enriquecerse" Sobre unha das promesas de campaña de EnMarea que se viu frustrada, o grupo parlamentario propio para Galicia, o alcalde da Coruña afirmou que "EnMarea entende que o requisito para ter grupo parlamentario é ter 5 deputados, 6 neste caso, e o 15%, porque é o que marca o regulamento". "Iso conséguese e logo atópaste con que, quen interpreta o regulamento non é un órgano imparcial senón os teus rivais políticos", continuou o coruñés "e eu, como xurista, entendo que o dereito a ter o grupo era meridiano, o de EnMarea, o de En Comú Podem e o de Compromís, porque eran personalidades xurídicas distintas de Podemos". "Alguén debería advertirlle ao Rei que fixo o ridículo recibindo a eses grupos e tamén a Sáez de Santamaría que os nomeou por separado na noite electoral", afirmou. "Eu entendo que é unha cuestión puramente política, cando despois, noutras lexislaturas se prestan deputados como legos, como Coalición Canaria cos deputados do PP para ter grupo. E aí non había problemas de regulamento". sentenciou. Ao fío disto Vázquez contestoulle que iso non era "nova nin vella política porque a CUP acababa de prestar dous deputados a Junts pel Si. "Quen interpreta o regulamento non é un órgano imparcial senón os teus rivais políticos" "Maneiras novas de facer política estamos levándoas a cabo todos os partidos", sostivo o alcalde de Ourense, "moitas veces parecen que só uns participan". "Eu trato de dicir que non somos persoas tan distintas a nivel individual e cando "alguén gaña, parece que demonizamos aos outros". Ferreiro sinalou que "hai cousas que agora nos parecen de sentido común, pero na pasada lexislatura non o eran, e se agora están é porque alguén as puxo no centro do debate". Vázquez quixo exemplificar o seu argumento e sostivo que "se eu vou nun avión privado financiado con fondos públicos, son casta; se alguén de Podemos vai nun avión posto por Maduro, non o é e ese avión tamén está sufragado con fondos públicos dun país que está peor ca o noso". "Erros cometémolos todos, pero usemos a mesma vara de medir", afirmou. Cando Ferreiro sacou o tema de Baltar e da trama de corrupción do PP de Valencia, Vázquez contestou coa polémica de Monedero e os seus ingresos de Venezuela e con que "tamén hai xente que senta en actos e defende a ETA". Entre o público estaba o antigo voceiro do PSdeG, Pachi Vázquez, que quixo dar un consello aos alcaldes. Afirmou que a clave dos novos tempos da política é "intentar facer as cousas", aínda que a posteriori non se logre. "Houbo centos de mulleres e homes en Galicia que tiveron as mesmas inquedanzas ca vós en momentos políticos distintos", por iso "me parece pretencioso falar de nova política como se de súpeto o mundo se abrise e aparecese como facelo, porque as sanas intencións son sempre comúns, isto non vai de novo nin de vello, vai de sentido común, humildade e prudencia", sostivo. Ao fío disto engadiu que "estou seguro de que cando Tsipras gañou as eleccións ía convencido de que ía poder facer todo o que propoñía, pero xa vistes o que tardou en amañar doutro xeito", concluíu. |
NOS_27252 | O sábado 9 de xuño, a Deputación da Coruña ofrece unha xornada de análise no Teatro Colón con máis de vinte especialistas | Os procesos de creacións nas artes escénicas na Galiza do século XXI estarán baixo a lente de máis de vinte profesionais e creadoras das artes escénicas. Será este sábado 9 de xuño no Teatro Colón da Coruña, nunha xornada coordenada pola profesora e directora de teatro Cristina Domínguez. A área de Cultura da Deputación da Coruña é a entidade organizadora deste encontro, onde haberá espazo para a reflexión e a exhibición. Carlos Neira, Daniel Salgado, Carlos Sante, Baltasar Patiño, Areta Bolado, Xulio Lago, Patricia Lorenzo, Olga Cameselle, Tatán, Laura Iturralde, Afonso Becerra, Esther Carrodeguas, Tito Asorei, Gena Baamonde, Quico Cadaval ou Ruth Balbís son algúns dos participantes na xornada, que estará estruturada en dous eixos. Tamén serán apresentados os últimos proxectos de Elefante Elegante, Caramuxo, Prácido Domingo e Manicómios. A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín, destaca a importancia deste encontro "á hora de facer unha diagnose do estado das artes escénicas a través de representantes do sector". Asemade, sinala a data como unha "oportunidade de grande relevancia polas persoas convidadas e pola pluralidade de propostas que se darán cita, xuntando persoas de distintas xeracións, estéticas e disciplinas". Reflexión e exhibición Mesas redondas e entrevistas son os formatos escollidos para, segundo explica Cristina Domínguez, "xuntar "profesionais da escena e falar de nós como creadores e creadoras buscando a interdisciplinaridade e incorporando distintas xeracións que ás veces non nos vemos as caras". As metodoloxías de aprendizaxe no teatro, a creación de espazos sonoros e visuais como ferramenta dramatúrxica, as narrativas escénicas, os procesos interpretativos e o tecido da dramaturxia galega actual son algúns dos temas que serán expostos ante o público do Teatro Colón. Após o primeiro bloque, as diferentes creadoras e artistas ofrecerán diversos Aadiantos dos seus últimos proxectos. Esta xornada forma parte do programa da Deputación "A Cultura é un dereito", que xa acolleu debates sobre a xestión cultural ou sobre as mulleres e a música. |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.