ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
NOS_14561
A nova situación móvese entre a "esperanza" do comercio e a "incerteza" da hostalaría, os dous grandes sectores que veremos outra vez abertos mais con restriccións.
A nova fase de desconfinamento na que entramos esta segunda feira 11 de maio debuxa un panorama que seguirá a ser moi diferente ao anterior ao estado de alarma mais que nos permitirá certa liberdade de movementos. Marcado pola restrición de non pasar da provincia en que se ten a residencia sectores como o comercial e o hostaleiro poderán renovar a súa actividade económica ordinaria despois de máis de 50 días coa reixa botada, algo que o comercio acolle "con esperanza" e a hostalaría con "incerteza". Desde a Federación Galega de Comercio, o seu presidente José María Seijas, explica que agarda unha "remontada" da actividade económica, iso sí "lenta". Considera que a maioría de locais usaron a fase 0 para "prepararse" e así poder abrir en "condicións de seguridade" a partir deste segunda feira, cando comeza a fase 1. Asegura que "abrir non significa que vaiamos empezar a vender, será lento", mais "o máis importante é que as consumidoras e consumidores se conciencien de que teñen que mercar no pequeno comercio, nos locais do seu barrio", porque "onde non hai comercio, non hai vida, non hai alegría nin luminosidade", destacou. Desde a Federación subliñan que haberá campañas de concienciación á cidadanía Desde a Federación subliñan que haberá campañas de concienciación cara a cidadanía para que "se mentalice" de que ela será clave para manter con vida este sector. "O comercio subsiste da xente que sae á rúa" e, por este motivo, a máxima dos locais é "abrir cumprindo coas directrices de Sanidade" para así trasladar "seguridade" ao consumidor e que "non tema" á hora de acudir a eles. Menos optimismo na hostalaría Nunha perspectiva máis municipal, o responsábel do restaurante A Nave de Vidán e membro da Asociación Hostalaría Compostela, Lois López, reduce a "bastante anecdótica" a apertura de locais que se vai a producir na capital galega a partir do día 11 de maio. "Entre as terrazas, que son xa bastante pequenas, e as limitacións de capacidade... Non fai viábel a apertura", lamenta, para cifrar en 5% os negocios que levantarán o enreixado nesta fase. Limitar as terrazas ao 50% e garantir a distancia entre as mesas é algo que "practicamente só dúas ou tres lugares" de Compostela, como Praza Roxa ou a zona de Cervantes, pode cumprir, afirma. E todo iso a pesar de que o Concello permitirá ampliar a extensión das terrazas. A este problema de espazo sumarase o tempo, posto que as predicións para esta semana que entra non son boas, mais tamén as "dificultades económicas" que vai sufrir o sector, xa que a "crise social" derivada da pandemia afectará á "confianza" da cidadanía. O turismo non pode coas provincias O sector do Turismo é outro que agardaba por entrar nesta fase. O presidente do Clúster Turismo da Galiza, Cesáreo Pardal, recoñece que "hai incerteza" nun sector que durante esta fin de semana viviu "pendente do BOE" para coñecer o seu futuro. A pesar da entrada na fase 1, as restricións de mobilidade entre provincias que aínda perduran lle permiten prever que os locais abertos esta segunda feira non van chegar a 5%. "O empresario non ten o seu negocio aberto para perder diñeiro", di. Con todo, o presidente deste clúster non dá por perdido o verán e confía en que, "aínda que sexa a mediados do mes de xullo, se poida recuperar" a actividade. Iso si, advirte que "como mínimo, a ocupación vai baixar a 50%".
QUEPASA_380
A Fundación Eduardo Pondal recibirá un dos Premios Agader
A Fundación Eduardo Pondal recibirá un dos Premios AgaderEste pasado venres tivo lugar o acto de clausura da Universidade Rural da Aldea do Couto. Outra demostración de que vivir na aldea é máis que posible, e que o berce da cultura pode residir perfectamente no rural se hai unha sociedade comprometida. A Casa dos Veciños do Couto acolleu esta singular actividade desenvolvida ao longodeste primeiro semestre do ano pola Fundación Eduardo Pondal. Un espazo de convivencia para os maiores, que lles serve para aprender cousas novas da vida, viaxar ou adquirir novas habilidades nos ámbitos das manualidades, a artesanía, a informática, o patrimonio ou as tradicións, entre outros. O acto recibiu a visita do director xeral de Inclusión Social Arturo Parrado, que destacou o traballo que leva a cabo esta fundación, pola súa contribución á dinamización social e cultural da zona. Ademais, sinalou que está en estudo posibles vías de colaboración coa entidade co obxectivo de continuar a fomentar a realización de actividades sociais dirixidas a persoas e colectivos en situación ou risco de exclusión social. Premio Agader A aldea pontecesá fica contenta ademais pois a Xunta vén de anunciar que a Fundación Eduardo Pondal é gañadora do Premio Agader na categoría de proxectos culturais e de recuperación patrimonial do medio rural, pola promoción da cultura a través da figura de Eduardo Pondal, co desenvolvemento de programas favorecedores do patrimonio material e inmaterial. Os premios entregaranse o vindeiro 21 de xuño nunha cerimonia no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón).
PRAZA_8545
AGE leva ao Parlamento a actuación dos antidisturbios na factoría de Vilaxoán, onde bloquearon o persoal que protesta para evitar o peche e facilitaron a retirada de maquinaria
A Policía toma partido. Esta é a conclusión que tiran as traballadoras da factoría de Conservas Cuca de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), despois de que hai dúas fins de semana varios furgóns de antidisturbios desequilibrasen a balanza da súa loita contra o traslado da fábrica ao Grove, unha operación na que ven o primeiro paso para un desmantelamento maior. Anunciada dende finais de 2012, as traballadoras veñen tentando frear a desmontaxe da fábrica facendo garda ás súas portas para así evitar que o grupo Garavilla, propietario da marca, leve a maquinaria á nova ubicación. Isto é o que foron conseguindo ata que o importante despregamento policial as retivo na caseta na que adoitan protexérense das inclemencias meteorolóxicas, dando vía libre ás intencións empresariais. Estes sucesos veñen de chegar ao Parlamento. A través do seu voceiro, Xosé Manuel Beiras, Alternativa Galega de Esquerda anunciaba este martes que queren, cando menos, explicacións sobre esta "operación de pirataría empresarial". As obreiras, di Beiras, "levaban moito tempo en loita impedindo, na medida do posible, que se consumase o saqueo" ata que os antidisturbios "plantificaron a furgoneta ante o caseto onde estaban, impedíndolles saír" e mesmo utilizaron inhibidores de frecuencias para que non funcionasen os teléfonos móbiles "para que non puidesen comunicarse". A Policía mesmo obrigou "os veciños das proximidades a que se metesen dentro das súas casas" mentres, ao tempo, "protexía os camións" que realizaban "o saqueo da maquinaria". "Parecen os gángsters de Chicago, coa Policía ao servizo das mafias", censura. Os antidisturbios bloquearon as traballadoras para permitir que a empresa sacase a maquinaria da factoría Beiras considera "absolutamente inaudito que as forzas da orde pública presten servizos" ao "xefe da empresa, que está facendo unha vulneración constante dos seus acordos coas traballadoras" e por iso "pedimos a comparecencia do vicepresidente", Alfonso Rueda, co apoio do BNG, pero o PP "negouna, porque non ten competencias". "Nós, entón, reclamamos que polo menos" Rueda "tomase a iniciativa de pedirlle explicacións ao delegado do Goberno e as fixese públicas", pero a petición tamén obtivo a negativa por resposta, no que para o líder de AGE é unha "deixación de funcións" e un exercicio de "desamparo da cidadanía". Pregunta en pleno e entrevista con Juárez Neste escenario, Beiras explica que Alternativa relaizou "un rogo para que sexa a Presidencia do Parlamento a que recabe do subdelegado do Goberno ou, no seu caso, do delegado", a información "e as explicacións pertinentes" sobre os sucesos de Vilaxoán. "Xa veremos se fan algo ou non". Por se isto non acontece AGE xa está "estudando levar este caso á vía xudicial" a través dunha "denuncia". "Se non apoiamos os cidadáns non merecemos ser os seus representantes", afirma. "Con nocturnidade e contra operarias, esta policía é máis propia dun estado totalitario que dunha presunta democracia" Nun sentido semellante exprésase tamén o deputado Juan Fajardo quen, xunto a Beiras, mantivo un encontro coas traballadoras hai poucos días. "Isto si que foi un escrache, pero un escrache franquista", di o parlamentario vilagarcián, para quen o sucedido en Cuca "nos retrotrae á época da ditadura", coa Policía "amparando as prácticas liquidacionistas do empresario". "Con nocturnidade e contra operarias esta policía é máis propia dun estado totalitario que dunha presunta democracia". Malia á negativa á comparecencia solicitada xunto ao Bloque, o propio Fajardo preguntaralle ao Goberno galego no pleno da Cámara "se considera digno auxiliar con maneiras antidemocráticas e un auténtico estado de excepción a quen pretende rematar cun cento de empregos". Do mesmo xeito, AGE solcitará unha entrevista co delegado do Goberno central, Samuel Juárez, e co Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela.
NOS_30119
A coligação do PCP e Os Verdes apresentou sua candidatura para as eleições para o Parlamento Europeu com um programa que visa a recuperação "da política económica, monetária, orçamental e cambial" do país.
O Partido Comunista Português (PCP) apresentou a candidatura com a qual concorrerá às eleições europeias A coligación CDU , da que tomam parte os Verdes, defendeu a sua proposta - encabeçada pelo vereador da Câmara Municipal de Lisboa, João Ferreira - e com o lema Defender os interesses do País e do povo. Ferreira debulhou em seu discurso de apresentação as linhas programáticas da coligação. "Direitos, desenvolvimento e soberania" são os eixos centrais da proposta comunista que coloca de forma destacada a recuperação da "política económica, monetária, orçamental e cambial ". De acordo com João Ferreira, um projeto de desenvolvimento econômico que mude a realidade social que atinge o país apresenta uma "incompatibilidade radical" com a permanência de Portugal na zona euro. Fome e miséria: consecuências da integração na UE para a CDU "A fome voltou a efectuar parte do quotidiano de muitas famílias, centenas de milhares de pessoas estão sem acesso a cuidados de saúde, muitas morrem prematuramente, 220 mil portugueses, na sua maioria jovens, foram forçados a emigrar", disse o candidato da CDU. Ferreira enfatizou ainda a "clara relação entre os principais problemas do país e as constrições impostas pela UE" através do Pacto de Agressão assinado em 2011 pelo governo luso e a Troika. "Tambem o desemprego, a precariedade, a desigualdade e a pobreza, seriam e são consequência inseparáveis(...) desta integração capitalista europeia", continuou em seu discurso o candidato da CDU. A saida do euro, a alternativa da coligação Em síntese, para @s comunistas "é hoje evidente que a integração de Portugal na União Económica e Monetária e da adesão ao euro foram decisões erradas, com consequências devastadoras para o nosso país". A coligación eleitoral, que conta desde 2009 com 2 eurodeputa@s em Bruxelas ( 379.787 votos), lançou um apelo ao povo português a reagir às políticas "neoliberais" e "social-democratas" nas eleições de Maio, sendo que, insistiu o candidato da CDU, "não podemos esperar que sejam os que nos trouxeram ao desastre que venham agora resolver os problemas que criaram", razão pela qual, disse," as eleições europeias revesten uma enorme importância".
NOS_34545
O presidente da Fundación, Francisco Jorquera, insta situar o debate sobre o sistema de financiamento no debate e axenda política pola súa importancia "para o país e para os cidadáns".
"É unha anormalidade política que o sistema de financiamento estea ausente do debate axenda política", afirma Francisco Jorquera, presidente da Fundación Galiza Sempre, unha anomalía na que determinadas organizacións políticas teñen a súa responsabilidade indicou. Jorquera realizou estas declaracións no marco da xornada de debate sobre un novo modelo de financiamento organizado por Galiza Sempre e no que tomaron parte economistas como Xosé Díaz ou Juan Mari Ollora, moderando María do Carmo García Negro. O ex-portavoz nacionalista no Parlamento galego lamenta esa ausencia do sistema de financiamento da axenda pois estamos a falar dunha cuestión, di, "fundamental" tanto para o país ("sen capacidade financeira non hai autogoberno real") como para a cidadanía ("do sistema financeiro dependen os recursos para servizos públicos,..."). A xornada, que decorreu na Facultade de Ciencias Políticas da Universidade Compostela, procura "incentivar o debate" e "prover de elementos para unha análise fundamentada" a respecto dun tema no que "moitas veces as posturas teñen máis a ver con prexuízos que con estudos". Destacou Jorquera a presenza de Juan Mari Ollora, que estivo na negociación do concerto para Euskadi, un sistema que lle permitiu aos vascos fornecerse de recursos "para facer políticas para os seus cidadáns" e evitar grandes recortes durante a crise. Depender do estado A preguntas dos xornalistas, o presidente de Galiza Sempre sinalou que o actual problema do sistema financeiro autonómico é que é o estado quen recada. "Iso condena Galiza a depender do estado" e non ter marxe para facer políticas propias, tendo que padecer os recortes decretados desde Madrid durante estes anos de crise. Dispor dunha axencia tributaria propia con capacidade normativa sobre os impostos, dixo, Galiza podería ter máis recursos ao tempo que se racharía "esa dependencia" do estado.
NOS_18170
Feixoo sitúase como valedor máximo da pasteira en Lourizán: critica unha decisión que, afirma, deixará sen emprego 5.000 persoas.
A pasteira Ence cifrou en por volta de 185 millóns de euros o impacto do cesamento de actividade após a negativa do goberno español a defender a prórroga da concesión á empresa na Ría de Pontevedra outorgada polo executivo do PP en funcións en xaneiro de 2016. "No improbábel suposto de que se producise o cesamento de actividade, tería lugar un impacto único extraordinario ('one-off') na conta de resultados da contorna de 185 millóns", afirma nun comunicado remitido á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). Desta cantidade, 74 millóns de euros terían impacto en caixa, dos cales 43 millóns corresponderían a actuacións de desmantelamento, 16 millóns á cancelación de contratos en vigor e 15 millóns ao custo dun expediente de regulación de emprego (ERE) de extinción total. Nestas horas o presidente da Xunta Feixoo solicitou ao goberno de Pedro Sánchez que dea explicacións pola decisión respecto á pasteira. Afirma que a decisión deixará sen emprego 5.000 persoas e sen ingresos por volta de 80.000 familias.
NOS_45046
Na medianoite desta segunda feira comeza unha nova xornada de greve de transporte de viaxeiros por estrada que liga cunha chamada para ser indefinida a partir da quinta feira. Falamos con Xesús Pastoriza responsábel de transportes da CIG, sobre un conflito que vai alén dos seus 7.000 traballadores.
Falamos con Xesús Pastoriza cando este está a piques de entrar nunha nova xuntanza coa Consellaría para tentar poñer fin á greve do transporte de viaxeiros. "É unha reunión sorpresa, non contabamos con ela", recoñece o responsábel de transportas da CIG, un dos tres sindicatos –canda CCOO e UXT- que protagonizan os paros no sector. -A partir das doce da noite desta segunda feira comeza unha greve que pode enlazar co paro indefinido a partir do día 13 aprobado por unanimidade polos traballadores e que vai ter consecuencias importantes. Como se chega aquí? -Estamos aquí por unha forma de traballar da Consellaría de Infraestruturas absolutamente absurda. Optaron por traballar e decidir en solitario. Nós formulamos desde o principio unha mesa tripartita (administración, patronal, sindicatos) para tratar este tema e desbotárono, fixeron uns plans descabellados, sen pés nin cabeza. Convocamos greve e a partir de aí si que nos chamaron para empezar a negociar, poñendo certas cuestións riba da mesa mais que non abondan. -Neste tempo, porén, houbo avanzos nas negociacións entre Xunta e sindicatos, mais non foron abondo para rematar coa greve, que agora pasa ser indefinida... Que fai falla para unha desconvocatoria? -Tería que haber unha retirada dos plan de transporte. Cuestións como a subrogación son positivas, non se pode negar, traballar nesa liña pode levar a algo, mais ten que haber máis. Nós a sexta feira pasada demos por rematadas as conversas mais sorpresivamente volvéronnos chamar para hoxe [segunda feira]. -Mais como se pode solucionar este conflito, que pasos se deben dar? -Nós queremos que retiren o plan de transporte -Mais unha vez que o Consello da Xunta licitou as concesións iso semella case imposíbel -Certo. En calquera caso, teñen que garantir que as condicións dos traballadores continúen exactamente igual aínda que haxa novos contratistas, e iso non o temos garantido, non o temos claro. Non nos deixan coñecer os contratos novos e non podemos saber canta xente van contratar comparada coa actual. Ademais, entendemos que non hai unha dotación económica suficiente para garantir que se subrogue 100% do cadro de persoal. O escollo principal neste sentido é que se garanta o volume total de emprego e que se garanta unha partida económica que garanta iso. - Desde a Xunta tense criticado que neste conflito sindicatos e patronal "vaian da man"... - Coincidimos coa patronal en criticar e rexeitar o plan de transporte da Xunta. Cando patronal e sindicatos rexeitamos o plan, este moi bo non ha de ser. Agora, nós temos enfrontamentos coa patronal, aí está a loita polos convenios. E esa é a segunda pata da mesa, nós non imos levantar a convocatoria da greve se non hai avanzos importantes nos convenios. - Após o consello da Xunta da pasada quinta feira, aprobando a licitación do plan de transporte, semella que non hai moita marxe de manobra... - Non deixa de sorprender que a Xunta fixera todo tan rápido a respecto do plan de transporte. Por outra parte , non é tanta sorpresa se vemos que leva actuando con prepotencia nesta cuestión desde o primeiro día. Apostaron no "aquí mando eu" e punto. - Por que ese rexeitamento frontal ao plan da Xunta? - É un plan parcial, que vai crear dúas realidades paralelas nos traballadores: os dos novos contratos e os dos vellos contratos, con condicións distintas para uns e outros. Non está ben deseñado, leva aparellado meter transporte escolar e de liña no mesmo paquete, o que non nos parece correcto.
NOS_10376
O presidente da Xunta acudirá ao Parlamento esta quinta feira, 7 de maio, logo de exixilo a oposición en reiteradas ocasións nas últimas semanas.
De "anomalía democrática" cualificou nas últimas semanas a oposición a situación política na Galiza, cun Parlamento disolto pola adiada convocatoria electoral do 5 de abril e cunha Deputación Permamente da Cámara galega á que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, só acudiu unha soa vez. A Deputación Permanente é o órgano que se reúne no Parlamento ao estar este disolto e conta cunha pequena representación de cada grupo. Os grupos do PSdeG, Común de Esquerda, BNG e o Mixto pediron en reiteradas ocasións a Feixoo que fose á Cámara informar e dar explicacións sobre a xestión da crise e para escoitar as propostas dos partidos fronte a pandemia e as súas consecuencias. A oposición cualificou ademais de "puro electoralismo" que durante a crise o presidente comparecese máis de 20 veces até hoxe na TVG e que ao hemiciclo, onde a oposición pode facer preguntas, só acudise unha vez, na sesión da Deputación Permanente do 26 de marzo. A anterior ocasión que compareceu no Parlamento foi o 5 de febreiro, cando a Cámara aínda non fora disolta. Dúas veces en dous meses e medio, unha situación prexudicial para a democracia, xa que o xefe do Executivo galego fica sen dar contas nin someterse a control. Feixoo comparece a quinta feira Finalmente, Feixoo comparecerá esta quinta feira, 7 de maio, no Hórreo, logo de que na segunda feira todos os grupos do hemiciclo, incluído o PP, acordasen que a Deputación Permanente se reúna unha vez á semana e que Feixoo acuda cada 15 días. O seu regreso ao hemiciclo coincide cunha maior clarificación do calendario electoral pola súa propia banda. Feixoo dixo o domingo que prorrogar a lexislatura sería "a peor" das opcións. O mandato remata en setembro, o que indica a preferencia do PP por votar no verán. Ademais, a aceleración que o presidente quere dar á recuperación da normalidade revela un Feixoo en campaña, xa que, co desconfinamento feito, as urnas son máis viábeis. Así, Feixoo xa sinalou que a maior parte da Galiza podería pasar directamente á fase 3 e situouse en contra do estado de alarma, o que fai lembrar que o decreto de adiamento das eleccións do 5 de abril condicionaba volver convocar os comicios a superar a alarma. Ademais Feixoo estase a amosar en campaña ao reivindicarse como "home de Estado", afirmando que el o que pretende é axudar a mellorar o mando único español na crise.
PRAZA_21046
Testemuños de varios anticuarios acreditan a posta á venda de pezas de importante valor que permanecían no histórico edificio da Cidade Vella da Coruña ou estiveron vinculados con el. Mentres, a Xunta ultima os trámites para declarar BIC a casa e o Concello da Coruña xa anunciou accións legais coa intención de recuperala para o patrimonio público
Diversos bens ligados á Casa Cornide afloran desde hai algunhas semanas no mercado de antigüidades, en pleno proceso para a recuperación para o patrimonio público deste inmoble da zona vella da Coruña propiedade da familia Franco. Testemuños de varios anticuarios acreditan a posta á venda de pezas de importante valor que permanecían na Casa CornideTestemuños de varios anticuarios acreditan que varias pezas de importante valor que permanecían na Casa Cornide están xa á venda en tendas de antigüidades da Coruña. "Está máis que confirmado e é vox populi no sector desde hai algún tempo", confirma a Praza.gal un anticuario da cidade que prefire non facer público o establecemento ao que os Franco ou persoas vinculadas á familia venderon, aseguran, varios bens agora a disposición do público. Entre eles, cerámica, esculturas, tallas de madeira, porcelanas ou obras de arte. A saída á venda destas pezas procedentes da Casa Cornide é coñecida desde hai algún tempo no mercado das antigüidades, onde outro testemuño dun anticuario advirte da presenza de cadros de elevado valor e apunta á posibilidade de obras de Fernando Álvarez de Sotomayor. "Para sacar dun inmoble obxectos que sumen un valor de centos de miles de euros no mercado non fai falta levar un camión, abonda con dúas caixas nun coche"Entre historiadores expertos na memoria histórica en Galicia corría o rumor desde hai tempo sobre unhas ofertas que vinculan tamén coa masiva posta en venda nos últimos meses en coñecidos portais de internet de obxectos que relacionan co patrimonio acumulado polo ditador durante as súas estancias no verán en Sada e na Coruña. Xusto cando varias administracións iniciaron o proceso para desposuír os Franco da titularidade da Casa Cornide. "Para sacar dun inmoble obxectos que sumen un valor de centos de miles de euros no mercado non fai falta levar un camión, abonda con dúas caixas nun coche", advirte en conversa con Praza.gal un destes anticuarios --que prefire manter o anonimato-- sobre a facilidade coa que os Franco teñen para vender moreas de pezas que o ditador e a súa muller acumularon durante décadas na propia Casa Cornide ou no Pazo de Meirás. O pasado 22 de decembro, varios obxectos foran retirados da Casa Cornide nunha furgonetaPrecisamente, o pasado 22 de decembro, varios obxectos foran retirados do interior da Casa Cornide e trasladados en furgoneta a unha localización descoñecida, tal e como advertira veciñanza da Cidade Vella da Coruña e denunciara o BNG. Agora, coñécese a proliferación de pezas vinculadas a ese inmoble no mercado de antigüidades, ben porque a ese edificio pertencían ou, máis seguramente, porque alí foron depositadas tras seren adquiridas polos Franco durante anos. "O que non vendan a casas de aquí, acabará en casas de poxas en Madrid", aseguran fontes do sector. "O caso é que nin se sabe nin se saberá o que alí había exactamente", aseguran diversas voces de historiadores expertos sobre o franquismo, que advirten tamén que, mentres o edificio non goce dunha especial protección nin a xustiza determine a imposibilidade de retirar bens --como ocorre agora co Pazo de Meirás-- os Franco poderán seguir actuando con impunidade no que ten que ver coa venda de obxectos obtidos durante a etapa do ditador como xefe do Estado. Todo acontece cando Xunta e Concello da Coruña están en pleno proceso para botar os Franco da Casa Cornide. Desde o Goberno galego ultímanse os trámites para declarar o inmoble Ben de Interese Cultural (BIC) e está só á espera de recibir os informes técnicos encargados ao Consello da Cultura Galega, a Real Academia de Belas Artes e a Universidade da Coruña para incoar o expediente e publicar no DOG a declaración. A Xunta ultima os trámites para declarar BIC a Casa Cornide e o Concello da Coruña xa anunciou accións legais para recuperala para o patrimonio públicoFoi precisamente o Concello da Coruña quen iniciou o proceso para a protección da Casa Cornide, achegando un informe de expertos no que se analizaban as características artísticas, históricas e arquitectónicas do edificio. Ademais, e só unha semana despois de que o Estado oficializase a expulsión dos Franco do Pazo de Meirás, o Concello anunciou que iniciará accións legais para recuperar para o patrimonio público a Casa Cornide, logo de que o informe xurídico encargado polo goberno local á Universidade da Coruña (UDC) avalase a decisión municipal de acudir á Xustiza. No documento, os expertos advirten das irregularidades e a "simulación" levada a cabo na venda do inmoble ao ditador. A venda de bens vinculados á Casa Cornide sinalada por varios anticuarios chega só uns meses despois de que os Franco puxesen tamén á venda o propio edificio nun portal inmobiliario de Vigo, onde aínda segue en oferta. O avogado da familia do ditador xa asegurara que os netos do xeneral fascista "declararon os impostos da herdanza da súa nai e poden poñer á venda calquera inmoble da súa propiedade". Noutros portais de compravenda de obxectos aparecen, á marxe dos bens sinalados polos anticuarios, algunhas outras reliquias que historiadores consultados por Praza.gal sinalan como bens que ben poderían estar relacionados tamén, dunha ou doutra maneira, cos Franco. Entre esas posibilidades, un manuscrito do historiador, político e ilustrado José Cornide, primeiro propietario da Casa Cornide, valorado en miles de euros e cuxa última localización coñecida era a biblioteca do Consulado, a libraría pública máis antiga da cidade. Arrinca o xuízo a unha "acción simbólica"Por outra banda, os nove activistas militantes do BNG denunciados pola familia Franco logo dunha protesta en 2017 na Casa Cornide vincularon os feitos cunha "acción simbólica" para denunciar un "espolio" e exixir que o inmoble fose devolto "ao pobo galego". Foi o que argumentaron durante a súa declaración no xuízo que se iniciou este xoves. Os nove activistas denunciados polos Franco por unha protesta na Casa Cornide vinculan a acción a unha "acción simbólica" para denunciar un "espolio"Nunha concentración previa, un grupo de persoas apoiou os encausados e a deputada do BNG no Parlamento Mercedes Queixas cualificou de "mundo ao revés" a denuncia dos Franco, ademais de reclamar que se declare de maneira urxente BIC a Casa Cornide. Unha das denunciadas, Elvira Branco, xustificou a acción do outono de 2017 na "finalidade de chamar a atención de que en Galicia hai inmobles roubados polos Franco", nun argumento que repetiron na súa declaración nos xulgados o resto de denunciados: Armando Carril, Manuel Méndez, Carolina Fernández, Andrés López, Salvador González, Óscar Calvo, Daniel Carballada e Bieito Lobeira.Todos eles advertiron dunha acción "simbólica" e "pacífica", mentres que o avogado dos Franco pediu que fosen condenados por un delito leve de coaccións, logo de que o maxistrado non lle permitise a posiblidade de formular cuestións xa rexeitadas pola Audiencia Provincial, como a posibilidade de que fosen xulgados por delitos de vulneración de morada ou de odio. A defensa, pola súa banda, pediu a absolución dos nove activistas que, dixo, só levaron a cabo "un exercicio de liberdade de expresión".
NOS_57383
Óscar Losada Castro leva a multidisciplinariedade por bandeira. Músico de vocación e xornalista deportivo e cultural de profesión, tras dar os seus primeiros pasos na desaparecida Radio Cadena e Radio Nacional, está a piques de facer 37 anos escribindo e falando das súas paixóns. Director de publicacións especializadas como Zona Press ou O Dez, está considerado como un dos maiores expertos na música de raíz a nivel galego.
Óscar Losada conduce desde hai cinco anos Raizame, programa sobre música de raíz -da que é experto- que se emite actualmente pola Radio Galega, logo dunha exitosa andadura por Radiofusión. O seu traballo en Raizame levouno a ser designado xurado da prestixiosa asociación World Music Chart. Alí, xunto a outros 45 especialistas de toda Europa, escolle mensualmente os vinte mellores discos de música tradicional, que en moitas ocasións xa contaron con presenza galega grazas a artistas como Radio Cos, Mercedes Peón ou Uxía. Como lle explico eu ao meu sobriño que é a música de raíz? É moito máis que folk. O folk é unha música que provén do folclore dos pobos, das cousas que están latexantes no seu interior e que son o epicentro de todo, mais cada día existen máis mesturas con diferentes tipos de propostas, novas fusións... Xa non existen compartimentos estancos, como no pasado, o que está moi ben. En antena temos comentado con Guadi Galego que, 15 anos atrás, a xente non entendería certas cousas, como lle acontecera a Rosa Cedrón na Coruña, que estando nun concerto dos Iron Maiden había xente pampa con que estivese alí, como se non puidese gozar desa fusión. Ao final, o artista ten que facer o que quere e o que lle gusta. Canto evolucionou o xénero desde que era coñecido como 'Músicas do mundo' até o día de hoxe... Moito, pero, cales son esas Músicas do mundo? Hai quen considera que o bluegrass norteamericano non é Músicas do mundo, pero claro que o é, trátase da música raíz norteamericana. Onde está a diferenza co reggae, por exemplo? Músicas do mundo non é só África ou Asia, como din algúns. E resulta que o folk, como concepto, quedábaselles pequeno a algúns, e de aí o de empregar o termo música de raíz, que engloba moitas cousas, co folclore como base do traballo do artista. Está vivo o xénero? Hai moita oferta, pero ao mellor non hai tanta demanda. Porén, e deixando a un lado o debate sobre que é ou que non é World Music ou Músicas do mundo, hai unha chea de artistas que alucinas polo mundo adiante, a variedade é brutal, porque hai moita cantidade, e da cantidade sae a calidade. Por iso irrítame e indígname que haxa quen pon a música como na segunda categoría da cultura. «Irrítame e indígname que haxa xente que pon a música na segunda categoría da cultura» Na Galiza, a música de raíz celebra a súa festa anual cos Premios Opinión, dos que vostede é o organizador. Cando terá lugar a vindeira edición? As votacións son a ano rematado, cos discos do ano 2019. Xa que logo, a gala será en 2020, arredor de maio. Un pouco antes, alá por febreiro, daremos a coñecer o nome dos finalistas. Como novidade, o ano pasado engadimos o premio de Mellor Adaptación dunha peza tradicional galega, que complementou as categorías de Mellor Disco do Ano, Mellor Canción Orixinal, Mellor Artista e un premio á Mellor Traxectoria, que leva 12 anos entregándose e que xa gañaron artistas como Fuxan os Ventos, Emilio Cao ou Antón Corral; agrupacións como Cantigas e Agarimos; e técnicos de son como Pablo Barreiro. É unha categoría na que se recoñecen a multiplicidade de cousas que teñen que ver coa música. Que tal é a resposta aos premios tanto do público en xeral como do sector? Hai un respaldo interesante, incluso a nivel institucional da Administración para que se fagan os premios. Do sector... levo 36 anos nisto e resúltame curioso ter que andar ás veces detrás de novidades discográficas, que non me cheguen despois de tanto tempo resúltame... curioso, direi. A min tenme pasado de mandar un correo electrónico a unha banda co gallo do seu primeiro disco para que mo enviasen e non obter nin resposta. O certo é que ás veces teño a sensación de que por unha certa parte da industria da música si que se valora o noso traballo, pero por outra non tanto. Ese valorar ou non o traballo alleo por parte da industria tradúcese a outra das súas facetas profesionais, a da crítica musical? Partindo da base de que é un traballo do que o único de que se lembra a xente é das malas críticas, a min o rollo do circo do emperador, de polgar arriba ou abaixo, non me vai. Mais, se queremos desenvolver unha industria musical neste país, tamén debe existir unha crítica que valore o traballo, que non diga que todo é bo. A súa poliédrica carreira compleméntase co labor xornalístico. Cal é a situación do xornalismo musical na Galiza?. Hoxe en día o que hai son resenhas. Moléstanme enormemente na miña profesión os que eu chamo «poñedores de discos». Un programa musical pode ser moitas cousas. Pode contar, por exemplo, a historia de Irlanda por medio de cancións, se es un profesional disto, se es un xornalista, mais se só pos discos ese tipo de cousas non as vas facer... E iso que agora, con internet, a cousa está moi doada: acceso a toda a información do mundo, a tradutores... é só cuestión de poñerlle gañas, de ser profesional e de servirlle á xente.
NOS_419
Os modelos matemáticos empregados na investigación, baseada nun século de convivencia lingüística entre o catalán e o castelán en Catalunya, prevé a imposición do castelán en Barcelona máis na súa área de influencia, mentres que o catalán faría o propio no resto do territorio.
O castelán seguirá gañando falantes pouco a pouco. Iso se desprende do estudo que un equipo interdisciplinar no que participan os catedráticos da USC Jorge Mira e Henrique Monteagudo, acaba de publicar na revista Palgrave Communications, do grupo editorial Nature. O castelán seguirá gañando falantes pouco a pouco, malia que sería viábel a coexistencia das dúas linguas ao longo de varias xeracións. O estudo, baseado nun século de convivencia lingüística entre a lingua propia e oficial de Catalunya, o catalán, e o castelán, tamén oficial; tira de modelos e técnicas matemáticas para comprobar se a coexistencia futura entre ambas as dúas linguas pode ser duradeira. A investigación conclúe que "os dous idiomas convivirán dun xeito estábel a longo prazo, aínda que o castelán tenderá a gañar terreo", destacan os autores. Investigadores e datos Xunto a Mira, catedrático de Física Aplicada, e Monteagudo, catedrático de Filoloxía Galega, ambos os dous académicos da RAG, forman parte desta investigación o físico Luís F. Seoane, primeiro autor do artigo, pertencente á Universitat Pompeu Fabra e ao Instituto de Física Interdisciplinar e Sistemas Complexos da Universitat de les Illes Balears e CSIC, así como o sociolingüista da Real Academia Galega (RAG) Xaquín Loredo. O traballo agregou as fontes de datos máis extensas e recentes do Institut d'Estadística de Catalunya, e nunha fase intermedia implicou medir dous parámetros que achegan, segundo a percepción dos falantes, o prestixio de cada unha das linguas e canto parecido gardan entre si. O castelán gaña prestixio "A sorpresa xurdiu ao estudar os datos de Barcelona e a súa área metropolitana separados dos do resto de Catalunya", sinalan os autores. "Mentres que na cidade condal ambas as dúas linguas se perciben cun prestixio similar, no resto de Catalunya o prestixio percibido é maior para o castelán, pese á presenza dominante do monolingüísmo catalán" subliñan. O maior prestixio do castelán propiciou un certo declive histórico do catalán na meirande parte de Catalunya. "Este maior prestixio do español propiciou un certo declive histórico do catalán na meirande parte do territorio", afirman. Pola contra, din, as opcións monolingües en catalán e castelán seguen traxectorias parellas en Barcelona e a súa área de influencia; mentres que o bilingüismo tende a aumentar década tras década. Coexistencia das linguas Os modelos matemáticos empregados suxiren que o castelán seguirá gañando terreo, malia que sería viábel a coexistencia das dúas linguas ao longo de varias xeracións. Baixo condicións de polarización extrema entre os diferentes grupos, explican, o modelo prevé que o castelán se imporía en Barcelona e na súa área de influencia mentres que o catalán faría o mesmo no resto de Catalunya. Neste sentido, a gran base de monolingüismo en catalán fóra de Barcelona sería capaz de sobreporse ao maior prestixio que estes falantes perciben no castelán. Poder preditivo O estudo, advirten os autores, foi elaborado a partir da evolución do uso das dúas linguas en Catalunya ao longo do último século. Porén, de producirse algunha situación que alterase o escenario sociolingüístico de forma drástica -como podería ser a independencia, que a zona se vise afectada por grandes migracións, ou que se aplicasen políticas lingüísticas moi agresivas en calquera sentido- o modelo podería perder o seu poder preditivo.
QUEPASA_723
2018: Un traballo real da ceesa Irene Ramón, escollido entre 2.000, para representar a Galicia no certame nacional "Que é un rei para ti". Un debuxo dende Cee para o Rei.
Estase convertindo en tradición. Xa pasou en 2014. E este ano, outro debuxo dunha alumna do Colexio Manuela Rial de Cee, volveu ser o gañador, en Galicia, da edición 37ª do concurso "¿Qué es un Rey para ti?". Irene Ramón Fernández, alumna de 6º de Primaria do Colexio ceense, foi a autora dun dos 17 debuxos escollida pola Fundación Institucional Española (FIES), de entre os 17.305 debuxos presentados, procedentes de 1.593 centros de toda España. Como premio asistiu a unha audiencia privada co Rei no Palacio Real de El Pardo, acompañada da súa profesora Sonia de Pazos Elorza. Esta estudiante logrou ser seleccionada cunha manualidade na que ve a Coroa coma un elemento de suxeción e unión dunhas cordas para tender nas que prendeu con pinzas as bandeiras de todas as comunidades.
PRAZA_7702
As organizacións que integran a Plataforma en Defensa do Ensino Público (CC OO-Ensino, FETE-UGT, CSI-F, Escola Viva, IESGA e CONFAPA) apoian a folga convocada entre os martes 5 e o xoves 7, e as manifestacións que se celebrarán o mércores ao mediodía e o xoves pola tarde.
As organizacións que integran a Plataforma en Defensa do Ensino Público (CC OO-Ensino, FETE-UGT, CSI-F, Escola Viva, IESGA e CONFAPA) apoian a folga convocada polo Sindicato de Estudantes entre os martes 5 e o xoves 7. E tamén as manifestacións que se celebrarán o mércores ao mediodía e o xoves pola tarde e fan un chamamento a profesorado, estudantes, nais e pais para que apoien todas a accións que se levarán a cabo eses días en defensa do ensino público. Nesta ocasión as asociacións de nais e pais non realizarán unha folga de asistencia dos seus fillos e fillas aos centros de ensino, pero apoiarán todas as accións de protesta que se realicen Nesta ocasión as asociacións de nais e pais non realizarán unha folga de asistencia dos seus fillos e fillas aos centros de ensino, pero apoiarán todas as accións de protesta que se realicen. Todos os colectivos coincidiron en sinalar a importancia de que a sociedade no seu conxunto se conciencie da importancia de defender o ensino público fronte aos recortes do seu financiamento. E tamén concordaron en que vai ser unha loita longa, de meses, mentres se realiza a tramitación da reforma educativa impulsada polo ministro Wert. Desde a Plataforma denúnciase que a reforma educativa do Goberno central implica "a segregación dos alumnos e alumnas con menos medios económicos; impón reválidas na escola primaria, secundaria e no bacharelato; ademais de facilitar a saída de moitos estudantes do sistema educativo en poucos anos, pechando o acceso ao ensino postobrigatorio a ducias de miles o que ademais contradi o acordo Europa 2020 para que o 80% do alumnado adquira unha titulación superior ao ensino obrigatorio". Concordan en que vai ser unha loita longa, de meses, mentres se realiza a tramitación da reforma educativa impulsada polo ministro Wert Denúnciase que no último ano, o ensino sufriu o maior recorte das últimas tres décadas, 5.000 millóns de euros dos aproximadamente 11.000 millóns (un punto do PIB estatal), cuxa eliminación está comprometida con Bruxelas antes de finalizar o ano 2015. Para as organizacións da Plataforma, isto empeorará as condicións en que a xuventude estuda en escolas, institutos e universidades públicas. Afirman que os recortes xa implicaron o despedimento de milleiros de docentes, un incremento da masificación nas aulas que non ten precedentes en décadas e unha "escandalosa" falta de medios materiais, explicaron esta mañá representantes da Plataforma nunha conferencia de prensa. Calendario de mobilizacións Mércores 6. 12.00. Manifestación: Compostela, Alameda. A Coruña, A Palloza. Vigo, Praza de América. Ferrol, Praza de España. Xoves 7. 19.00. Manifestación: Compostela, Alameda. A Coruña, A Palloza. Ferrol, Praza de España. 20.00. Manifestación Vigo, Praza de América.
NOS_22745
O obxecto central da restauración foi o escudo de mármore branco que ocupa a parte central do muro, que estaba visibelmente afectado polas inclemencias meteorolóxicas e por unha capa de restos biolóxicos adheridos á superficie.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, visitou onte o Pazo de Tor, en Monforte de Lemos, tras os traballos de conservación e restauración realizados en elementos arquitectónicos e obras pictóricas do museo, que forma parte da Rede Museística Provincial de Lugo. A intervención no edificio realizouse no muro perimetral, que dá acceso ao característico xardín-labirinto de Tor, corrixindo os desprendementos e retirando a cuberta vexetal dalgunhas zonas. O obxecto central da restauración foi o escudo de mármore branco que ocupa a parte central do muro, que estaba visibelmente afectado polas inclemencias meteorolóxicas e por unha capa de restos biolóxicos adheridos á superficie. O tratamento conseguiu devolver o escudo á súa materialidade e facilitar a lectura dos elementos que o compoñen, identificativos das armas dos Varela -linaxe ligada á propiedade do Pazo-. No tocante ás pinturas, realizouse unha intervención de conservación e restauración en dezaseis cadros expostos en distintas salas do Pazo, parte da colección artística que, xunto ao mobiliario e enseres domésticos, se incluíron na doazón do edificio para o patrimonio público por parte da súa última propietaria María de la Paz Taboada de Andrés e Zúñiga. O Pazo de Tor, en Monforte, torna en residencia e lugar de creación artística Trátase, fundamentalmente, de retratos de membros da nobreza e da xerarquía eclesiástica e iconografía relixiosa, en óleo sobre lenzo e óleo sobre cobre, datados nos séculos XVIII e XIX, de autoría e escolas diversas. Os traballos, encamiñados á conservación dos materiais orixinais e da información que conteñen, desenvolvéronse tanto nas pinturas como nas molduras dos cadros. A vicepresidenta valorou "as intervencións realizadas para conservar e pór en valor este ben patrimonial, unha das mostras máis importantes da arquitectura pacega galega un dos poucos que se pode visitar completamente musealizado, coas estancias, o mobiliario e as coleccións artísticas que atesourou á propiedade durante séculos" e explicou que "ao longo destes últimos anos vimos impulsando pequenas reformas e intervencións de restauración nos distintos museos de titularidade provincial para garantir a súa protección e reforzar a súa posición como espazos culturais e de coñecemento e estudo". Encarna Lago: "Traballamos o espírito crítico: o noso modelo é o dun museo que cuestiona"
PRAZA_4596
A plataforma 'Salvemos a Música e a Noite' traslada a Galicia a campaña 'O 21 todos contra o 21%' que denuncia a suba do IVE cultural que deixa nunha "crítica situación" o sector do ocio, "ameaza o turismo" e provoca o peche masivo de salas de concertos.
Contra a suba do IVE cultural que está a "matar" a cultura. Unha concentración da plataforma Salvemos a Música e a Noite protestou na mañá deste martes ante a Delegación de Facenda na Coruña para denunciar "a crítica situación que viven o ocio e os espectáculos" como consecuencia da "salvaxe suba do IVE cultural ao 21%". Coa colaboración da Asociación Galega de Salas e Locais con Música ao Vivo, Clubtura, e a Alianza Empresarial por el Turismo y el Ocio Nocturno, Pronoche, a reivindicación que xa tivo lugar noutras cidades do Estado chegou desta vez ao país dentro da campaña O 21 todos contra o 21%. Unha 'Santa Compaña do ocio e da cultura' representou a morte do sector ante a Delegación de Facenda Representantes da plataforma acudiron á sede de Facenda acompañados por unha pretendida Santa Compaña do ocio e da cultura, dous actores caracterizados como cadáveres viventes que entraron -non sen algún problema- na sede da Axencia Tributaria para entregar unha carta dirixida ao ministro Montoro e na que se solicita unha reunión para negociar unha rebaixa do IVE cultural que, en palabras de José Vázquez, vicepresidente de Clubcultura, coloca as salas e locais "nun momento moi crítico". "Estano pasando moi mal", engadiu este membro dun colectivo que representa a boa parte das salas de concertos de Galicia. Precisamente, a campaña contra a suba do IVE cultural espallarase durante esta semana nos locais de ocio e salas de concertos da Coruña, onde intentarán popularizar o berro de silencio, un xesto -levando o dedo á boca para denunciar os intentos de calar a cultura- que se está a converter en símbolo do mundo da cultura contra o incremento na carga impositiva no seu sector. Desde o comezo da crise, en Galicia desapareceron máis de 250 empresas de ocio en Galicia Ademais, a plataforma, aproveitando a celebración da Feira de Turismo Fitur, denuncia tamén a "ameaza" que para o turismo galego e estatal supón "o deterioro que sofre a oferta de ocio e espectáculos en toda España". "A vida nocturna é a primeira motivación para os cidadáns de entre 20 e 35 anos que visitan o Estado, o que supón que para máis de 95 millóns de europeos, a noite, a música e os espectáculos sexan o principal atractivo para visitar o territorio", engaden, tras censurar o "agravio comparativo" que supón para o sector que o consumo de bebidas estea "penalizado" nos locais de ocio cun 21% "fronte ao 10% de IVE reducido do resto da hostelería, hoteis, cinemas e bingos". Segundo os datos que achega o colectivo, durante a crise e ata o ano 2012, desapareceron máis de 250 empresas de ocio en Galicia, unha cifra que se eleva ás case 4.500 no conxunto do Estado, o 18% de todas as compañías do sector. Ademais, desde a suba do IVE, a actividade de ocio nocturno en zonas turísticas caeu un 67% nas zonas turísitcas. A plataforma lembra o "goteo constante" de peches de salas que foron "templos da vida nocturna ou cultural" en Galicia durante 2013 "O máis chamativo deste traxedia é o goteo constante de peches de salas, suspensións de festivais e caídas de xiras no último ano", destacan, e recordan que en Galicia veñen de pechar en 2013 "templos da vida nocturna ou cultural" como a sala Nasa en Compostela; a Green e Ultimate Sin na Coruña; a Sala A de Vigo; ou o Rock de Ourense. Precisamente, e en canto ao ocio nocturno, a plataforma Salvemos a Música e a Noite aclara que desde que comezara a crise o sector caeu un 50%, cun retroceso económico de 330 millóns de euros e a destrución de máis de 1.600 postos de traballo.
NOS_33103
O acto, organizado pola Plataforma feminista de Ourense, terá lugar esta cuarta feira, 15 de marzo, ás 20:00 horas no café sociocultural O Renque.
A Plataforma Feminista Galega de Ourense organiza esta cuarta feira, día 15, o faladoiro "Mulleres e Deporte", que terá lugar ás 20:00h no café bar sociocultural O´Renque. Neste encontro estarán presentes tres mulleres deportistas para dar conta da súa experiencia. Berta Rodríguez, xogadora de rubgi, Ana Rodríguez, de futbol gaélico e Caetana Vizcaya, de fútbol. A Plataforma Feminista Galega de Ourense indica que con este acto procura valorar e visibilizar o deporte feminino, a través das experiencias destas xogadoras.
NOS_14723
Na Galiza son o 33% do total mentres que a porcentaxe media no Estado non chega ao 25%, 8 puntos menos que na Galiza
Nun de cada tres fogares da Galiza as prestacións son a súa única fonte de ingresos, segundo os datos oficiais do IGE. Nun de cada tres fogares do país non é o salario ou mesmo as rendas quen o manteñen mais as prestacións, sexan estas por desemprego, de integración ou por pensións. O que amosa que estas, as pensións, son a trabe principal para manter economicamente moitas familias. Por iso é tan demoledor o recente informe da UGT que certifica que en Galiza o 32,6% das pensións non chegan á cuantía mínima ou están nela, polo que teñen que ser complementadas. No Estado a media é do 25%. Ademais, a porcentaxe de mulleres que perciben pensións que teñen que ser complementadas por non chegar á mínima ou que cobran xusto a mínima é en Galicia de 39,33 puntos, fronte aos 24,93 por cento dos homes que están nesta situación. Así, concretamente, en Galiza o 24,93 por cento dos homes pensionistas perciben pensións complementadas por non chegar ás mínimas ou xusto as mínimas e no caso do resto do Estado a porcentaxe é de 19,56 puntos. Entre as mulleres galegas a porcentaxe é de 39,33 puntos, fronte aos 32,64 do resto do Estado. Galiza é o segundo territorio do Estado español coas pensións máis baixas, cunha contía media de 761,53 euros, que sube ata os 864,70 no caso das pensións de xubilación. Só Estremadura, con 752,29 euros, está por debaixo do noso país. Estes datos contrastan coa realidade de comunidades como o Euskal Herria, Madrid, Asturias ou Nafarroa onde as contías medias superan os 1.000 euros.
PRAZA_7932
A historia deste río é a historia do espolio dos nosos recursos coa conseguinte fuga de capitais fora do país para maior gloria do que é de facto propietario do río: Villar Mir
A historia deste río é a historia do espolio dos nosos recursos coa conseguinte fuga de capitais fora do país para maior gloria do que é de facto propietario do río: Villar Mir, o marqués de Villar Mir, que como bo aristócrata, exerce dereito de pernada sobre o río ate privarnos durante moito tempo incluso dun reclamo engaiolante de primeira magnitude coma son as fervenzas do Ézaro, únicas de Europa, cuxo eco nos devolve se o escoltamos con atención as arelas de paz e fermosura dos fuxidos do Pindo, abrigados nel no tempo que señorearon Galiza os Atilas retratados por Castelao. Historia vella que a fachenda dos que detentan o goberno da Xunta actualiza mediante o expediente de seguiren a tramitar licencias para máis minicentrais nos concellos de Dumbría e Mazaricos, onde o goberno do PP participou da corrupción urbanística na trama da operación Orquestra. Coa historia deste espolio ben puido facer Galeano algún capítulo do seu As veas abertas de América Latina narrando coma cos cartos deste ríos levantáronse os rañaceos máis altos de Madrid, Torre Espacio Coa historia deste espolio ben puido facer Galeano algún capítulo do seu As veas abertas de América Latina narrando coma cos cartos deste ríos levantáronse os rañaceos máis altos de Madrid, Torre Espacio, montáronse fábricas no estranxeiro, que logo compiten - esa palabra cerna de todos os egoísmos destrutores - coas fábricas de Cee e Dumbría, e que se engrosou con eles a fortuna do marqués e demais parasitaxe capitalina. A fábrica de facer cartos exiliou as numerosas mouras que noutrora gardaron a fermosa beleza do río, elas si sabedoras do tesouro da terra que nos acubilla. O tesouro do Xallas que lle interesa a aristocracia dos cartos en B son os 35 millóns anuais de beneficios que Ferroatlántica lle arrinca ás augas aproveitándose ademais do fraude permitido polos gobernos, ao cobrar prima, por acollerse ao réxime especial eléctrico, cando en realidade é evidente que se encobre unha gran hidroeléctrica que non debería ter dereito a eses beneficios. Que beneficio obtemos as galegas e os galegos desas explotacións no Xallas? Que beneficio obtemos as galegas e os galegos desas explotacións no Xallas? Todo isto non podería ser posible sen a complicidade dos obedientes gobernantes autóctonos que defenden o saqueo con entusiasmo, e queren vendelo coma progreso, e é de supoñer que reciben a cambio algunhas frangullas do negocio ao través das pasarelas inmorais que vencellan política pública e negocios privados. Non por casualidade o señor Villar Mir aparece coma doador do Partido Popular nos "supostos" papeis de Bárcenas. A oligarquía empresarial do franquismo non notou a transición e seguiu instalada no poder na sombra, e seguen a chuchar no país coma parasitos. Para Galiza queda o impacto ambiental, os danos ao río, a factura da luz e a descapitalización coma país. Degradarase máis o río, afectándose as poucas zonas virxes e aínda teremos que agradecer que nos den traballo a algúns durante a obra, e despois a seguir mandando cartos para o mundo. A oligarquía empresarial do franquismo non notou a transición e seguiu instalada no poder na sombra, e seguen a chuchar no país coma parasitos Coma éste poderíanse pór ducias de exemplos semellantes ao longo do país reflectindo a fuga de riqueza tanto no escalafón social coma en clave de país. Calquera goberno comprometido coa maioría social debería enfocar as súas políticas, en ademais de garantir unha política enerxética sostible e ambientalmente respectuosa, en reverter estas políticas de saqueo. A esquerda terá que poñerse a pensar. E ser intransixente cos negocios privados que destrúen o patrimonio dun pobo farto xa de caciques, ladróns e señoritos Como se deben utilizar os nosos recursos tanto a nivel ambiental, fixando criterios e modelo novos de desenvolvemento, coma dende o punto de vista económico, no que se deberían de protexer utilizando para a súa explotación formas cooperativas, autoxestionadas ou públicas. Moi fácil é dicilo, xa o sei, pero a esquerda terá que poñerse a pensar. E ser intransixente cos negocios privados que destrúen o patrimonio dun pobo farto xa de caciques, ladróns e señoritos.
NOS_49455
Entre os meses de abril e outubro non hai ponte, cruceiro, poste da luz ou lavadoiro que se libre de ser escaparate de pancartas promocionais dunha inminente voda. Elaboradas case sempre polos amigos dos noivos, poden ir desde unha pequena saba decorada con rotuladores até a contratación de enormes rótulos de publicidade exterior de 24 metros cadrados, e as mensaxes que reflicten oscilan da chanza inofensiva a un machismo desatado que xa ten provocado a retirada de varias delas polas administracións. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 363 do semanario en papel Sermos Galiza.
Tan típicas do verán como as festas gastronómicas ou a ineludíbel visita dos fodechinchos, as pancartas conmemorativas do enlace dunha parella multiplícanse por toda a xeografía galega. Xa sexa no mundo urbano ou no rural, este fenómeno en expansión resulta "digno de estudar nas facultades de Psicoloxía e de Socioloxía", segundo o historiador e antropólogo Felipe Senén. Para el, a universidade debería de comezar a tratalas como manifestación da "degradación cultural" do país. "Son horteras e de mal gusto, unha moda individualista con afán de protagonismo que é perfecta representación dos novos ritos propiciados pola sociedade de consumo e do cambio que está a sufrir a etnografía galega, que pasou dun mundo rural e mariñeiro e da imitación do dandismo do irlandés Oscar Wilde nos primeiros anos do século XX a padecer o que en socioloxía se chama anomia, que é a aculturación, unha crise cultural producida por moitas influencias, como a globalización ou o bilingüismo", engade. Nesa liña pronúnciase tamén a profesora da Universidade de Vigo e experta en linguaxe inclusiva Ana Bringas: "É un fenómeno expresión da mercantilización da sociedade e da necesidade de facer de todo un espectáculo público. Ao igual que moita xente pon nas redes sociais até os detalles máis nimios da súa existencia, para un acontecemento tan importante na vida dunha persoa como é unha voda con máis razón van sentir esa necesidade de darlle publicidade". Ademais, vincula a proliferación destas pancartas coa "romantización" das relacións de parella e a implantación do "mito do amor romántico" como modelo de afectividade na sociedade occidental. "O romántico é tamén político, e constrúese a través da ideoloxía de cada momento, e agora a ideoloxía dominante é a do capitalismo e o patriarcado, sustentada nunha desigualdade entre homes e mulleres, ás que se nos di que non estamos completas sen unha parella, a nosa media laranxa, a alma xemelga, aquela que vai dar sentido a todo e sen a cal a nosa vida non tería sentido… de aí moitas das expresións que se ven nestes carteis como aproveita agora que se acabou a boa vida, porque o matrimonio implica outra vida, e unha vez casada dinche que terás que renunciar ao que facías antes, como saír coas amigas", apunta Bringas. Porén, o sociólogo Joaquín Díaz quítalle ferro ao asunto, opinando que son tan só "unha expresión pública da felicidade" que obedece á actitude de xente "que quere carallada" e ao "nivel de camaradería" entre os noivos e os seus amigos. Díaz considera, ademais, que son "máis habituais" no mundo rural que no urbano, e que un bo exemplo é que nas cidades poden verse con maior frecuencia "en barrios obreiros tradicionais" que nos de outro tipo. [Podes ler a peza íntegra no número 363 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
QUEPASA_955
Xornada moi positiva para os equipos de tenis de mesa con maioria de vitorias, algunhas moi esperadas e necesitadas, outras de sorpresa e tamén outras que xa se previan.
A maior sorpresa estivo a cargo de A D Zas O Pinar que derrotou a domivcilio ao lider do grupo, logo tamén de sorpresa podemos considerar a vitoria de Concello Mazaricos a un dos equipos potentes do grupo, o Dez Portas de Lugo, despois xa se esperaban as vitorias de AD Zas Ponciano Nieto na casa do colista e que foi con mais apuros dos previstos. Tamén se esperaban as vitorias en segunda femenina e tamén alguna derrota e de derrota sorpresa foi a do VTM Pinturas Figueiras, que van comprobando que non se poden fiar de ninguén. 2ª División Nacional Femenina Resultado: AD Zas Cafeteria Talladas - Naron (3-0). Resultado: Concello Mazaricos - Vilalba (3-1). Resultado: SD A Baña - San Xoan (2-3). Resultado: AD Zas Cafeteria Talladas - Club Del Mar (1-3). Resultado: Concello Mazaricos - Narón (0-3). Resultado: SD A Baña - Vilalba (3-0). Resultado: AD Zas Cafeteria Talladas - San Xoan (3-2). Resultado: Concello Mazaricos - Club Del Mar (0-3). Resultado: SD A Baña - Narón (3-1). Resultado: AD Zas Cafetería Talladas - Vilalba (3-0). Resultado: Concello Mazaricos - San Xoan (0-3). Resultado: SD A Baña - Club Del Mar (0-3). Gran ambiente deportivo o que se viviu durante todo o día no ximnasio de A Baña, deportivo e de confraternidade pois coma sempre todas as xogadoras van comer xuntas e nesta ocasión tamén acompañaron os árbitros, donde aproveitaron para comentar e compartir todas as vivencias deste deporte. Parece que os resultados son o de menos pero para as xogadoras non o son e poñenlle todo o seu interés en cada partido. Así acaban a xornada moi cansadas pero con ganas de vivir outra xornada coma esta. En canto ao estrictamente competitivo resaltar a igualdade en vario encontros, sobre todo nos disputados por AD Zas Cafeteria Talladas e SD A Baña contra Club del Mar e San Xoan. O deporte femenino está a despegar na comarca e as xogadoras do tenis de mesa tamén poñen o seu gran para que aumente. Esperemos que non decaiga. 2ª División Nacional masculina Resultado: Cafetería Vilariño - AD Zas Ponciano Nieto (3-4). O duelo de colistas do grupo e que nada poden facer para salvar a categoría, preveiase igualado e así foi resolvendose no partido de dobres, se nos acordamos do encontro de ida coa vitoria clara de AD Zas Ponciano Nieto comprobamos que non é o mesmo xogar na casa que fora, cambian a mesa, o chan, a pelota e moitas circunstancias a veces intanxibles pero que afectan ao rendimento do xogador. Moi ben Edu Quintela gañando os tres partidos nos que xogou, cumpliu Brais Blanco ao que se lle escapou o primeiro partido por moi pouco. E, darlle as grazas a Javi Rodríguez por acudir a pesar de ser chamado a última hora, actitude de compromiso que non falta neste xogador, e., co tempo daralle resultados positivos. 3ª División Nacional masculina Resultado: Concello Mazaricos - Dez Portas (4-1). Gran vitoria a do Concello de Mazaricose ante un rival dos postos altos do grupo, se gañase este encontro tiñan moitas posibilidades de ser campións do grupo. Compróbase que é un grupo moi igualado, non olvidemos que con esta vitoria o Concello de Mazaricos gañoulle aos dous primeiros clasificados do grupo e perdeu cos últimos. E que a falta de 3 xornadas hai seis equipos que poden ocupar as dúas prazas pendentes para o descenso. Os de Mazaricos son os que máis fácil o teñen, esperabamos que esta vitoria lles dese a permanencia matemática pero os resultados non acompañaron para que asi fose, pois enfrentanse a tres equipos co mesmo problema. Miguel Rey está moi contento de como están xogando todos e encontrase moi confiado, incluso de conseguir gañar os tres encontros, o próximo será o mais dificil, pero cando hai tanta igualdade, dificiles son todos. Para resaltar aalgún xogador é complicdo pois todos están a gran nivel, pero destacaremos a recupración de José Ángel Lado despois de pasar mais dun mes renqueante. Alex segue co seu nivel e Davidcumple moi ben nos dobres. Comprobamos como Miguel Rey volveu a ser determinante ao gañar todos os partidos que xogou. 2ª División Galega Resultado: Finisterre Sphera – AD Zas O Pinar (4-0) Resultado: Finisterre Deseñarte – AD Zas O Pinar (3-4). Resultado: VTM Pinturas Figueiras – RC A Estrada (3-4). Dúas sorpresas nos depparou esta xornada, unha moi positiva, a vitoria na cas do lider por parte de AD Zas O PInar e a outr negativa, ao ser sorprendido VTM Pinturas Figueiras polo RC A Estrada. No primeiro caso, com nada tiñan que perder os xogadores zasences xogaron libres de presión e responderon as maravillas, con moitos nervios no último partido e que escaparon ao acabar con vitoria. Os de Vimianzo sairon confiados e cando quixeron reaccionar xa quedaron atenazados polos propios nervios de non ser capaces de resolver a situación. Noraboa a AD Zas O Pinar que van sempre coa moral moi alta e con moitas ganas a cada partido. E, cura de humildade para o VTM Pinturas Figueiras. Todo serve para aprender. VTM Pinturas Figueiras - RC A Estrada Vindeiros compromisos Só 5 encontros para a vindeira xornada. Sábado 16 de marzo 3ª División Nacional, en Ferrol: 17'00 h. San Xoan TM - Concello de Mazaricos. 1ª División Galega 17'00 h. AD Zas Construcciones Cernadas - Arteal Ventanas B. 2ª División Galega (No ximnasio do CPI de Zas):-16'00 h. AD Zas Dimobel Bazar Baio - Arteal Promesas; - 17'00 h. VTM Pinturas Figueiras - Club del Mar Infantil; - 18'00 h. AD Zas O Pînar - Arteal Promesas. Todas as novas do tenis de mesa costeiro O entroido fixo estragos ao tenis de mesa costeiro. Nas fotos comprobamos a alegria das vitorias e a confraternidade das concentracións da 2ª Nacional femenina.
NOS_30409
O Goberno ofrecerá dous tests gratuítos á semana.
O primeiro ministro británico, Boris Johnson, confirmou este 5 de abril que a partir da vindeira segunda feira reabrirán os comercios que venden produtos non esenciais en Inglaterra, tras os bos datos sobre o control do coronavirus. Nunha conferencia de prensa na residencia oficial de Downing Street, Johnson dixo que o esforzo da poboación para cumprir coas medidas restritivas permitiu a posta en marcha desta segunda fase da folla de ruta. Desde ese día tamén poderán reabrir barbarías, ximnasios, salóns de beleza ou pubs (bares). Un calendario similar ao marcado no resto de nacións que conforman o Reino Unido. No caso de Escocia, por exemplo, a apertura darase o 26 de abril. Cómpre lembrar que no caso de Inglaterra, que non ten competencias propias como Gales, Irlanda do Norte ou Escocia, é o Goberno británico quen toma as decisións sobre o territorio. "Na segunda feira 12, eu mesmo irei ao pub, con precaución mais inevitabelmente levando unha pinta de cervexa aos beizos", apuntou Johnson. Non obstante, polo momento só o poderá facer ao aire libre. Folla de ruta A primeira fase da folla de ruta comezou o 29 de marzo, cando se levantou a petición de non saír de casa. E o 17 de maio está marcado como o día en que se retomarán as viaxes internacionais, aínda que Johnson pediu prudencia ante a situación noutros países. Ademais, tamén admitiu que aínda non se sabe o nivel de protección das vacinas en caso de haber un aumento dos contaxios. Mais é o éxito na campaña de vacinación que permite avanzar na desescalada. Desde decembro, o Reino Unido vacinou 5,4 millóns de persoas e administrou máis de 31,5 millóns de primeiras doses, case a metade da súa poboación total. Por outra banda, o Goberno británico anunciou que ofrecerá dous test de coronavirus á semana de forma gratuíta.
PRAZA_8372
O PP acepta que o presidente da Xunta compareza no Parlamento case tres anos despois da súa última intervención á marxe das sesións obrigatorias e, a cambio, conseguen que a oposición renuncie a unha sesión de control. Audios no interior
Dous anos, sete meses e unha semana despois, Feijóo volverá comparecer no Parlamento á marxe das sesións obrigatorias. Foi necesario un excepcional escándalo, o provocado pola publicación no diario El País das fotos do presidente da Xunta co narcotraficante Marcial Dorado para que o PP aceptase a petición da oposición en pleno, non sen resistencia e con condicións. Os conservadores asumen que o seu xefe de filas fale dende o atril do Pazo do Hórreo sobre as súas vacacións de 1995 pero, a cambio, reclaman que nese mesmo pleno non se celebre a habitual sesión de preguntas ao titular da Xunta, a tamén coñecida como sesión de control. O inédito cambio de cromos sumiu na "perplexidade" os grupos da oposición que, non obstante, antepuxeron a aceptación acumulada das súas solicitudes de comparecencia, a presentada polo PSdeG e a formulada conxuntamente por AGE e BNG. "Pasamos da indignación á sorpresa", resume o voceiro do Bloque, Francisco Jorquera, quen concorda con Xosé Manuel Beiras, da AGE, en que a sesión da Xunta de Portavoces na que se deu o debate foi todo un exercicio de "surrealismo". "Foi unha especie de simposio, só faltaban os estudantes", di Beiras. Pero, á marxe das formas, o certo, di o socialista Abel Losada, é que Feijóo "comparece collido pola orella polos grupos da oposición". A oposición ve un exercicio de "surrealismo" na actitude do PP e coida que Feijóo acode "collido pola orella" Pero, que foi o que aconteceu? O PP dispúxose a conformar a orde do día e puxo sobre a mesa a súa tradicional negativa á petición da oposición. Houbo un "rexeitamento frontal" á comparecencia, di Jorquera, que "mesmo tentou trivializarse dicindo que carecía de sentido que comparecese para falar dunhas fotos de hai vinte anos que pertencían aos seus espazos de lecer". Ademais, argumentaban tanto o voceiro conservador como o representante do Goberno na xuntanza, os grupos xa presentaran preguntas parlamentarias ao respecto. Pero a oposición, sinala Beiras, considerou "un pitorreo" o que estaba a formoular o PP e a súa presión logrou que "aceptasen a comparecencia a condición de que retirásemos as preguntas sobre o mesmo tema". "Sen que sirva de precedente", di Jorquera, a oposición aceptou porque o obxectivo último era que Feijóo non tivese "ningún pretexto ao que agarrase" para non comparecer. "Metáfora da súa desconexión coa realidade" Tamén Losada considera que o prioritario é que Feijó compareza, aínda que isto veña despois de que "o PP e o Goberno sometan o Parlamento a unha chantaxe". A comparecencia, di o socialista, é necesaria porque "non estamos falando só de fotos", como di o presidente, senón "do reflexo das relacións entre o número dous da Consellería de Sanidade" naquel tempo e un narcotraficante, todo isto "nos anos nos que o principal problema" de Galicia era, precisamente, o narcotráfico. Puy gaba o "exemplo enorme de transparencia" que, di, está a realizar o presidente A ese debate PSdeG, AGE e BNG acudirán para reclamar máis explicacións das ofrecidas por Feijóo en rolda de prensa o pasado luns. O seu discurso, afirma Losada, é "absolutamente inverosímil". "Dicir que non sabía quen era Marcial Dorado é tomar os galegos e galegas por parvos", subliña o socialista, quen ademais non entende que Feijóo "compartise viaxes, barcos e coches con descoñecidos", dado que "non era un autoestopista". No mesmo sentido, Jorquera tampouco acredita na "memoria crebadiza" do líder popular, esa que o leva a lembrar só "que había neve, e non vou facer ningún chiste fácil", ironiza. Cómpre aclarar, engade Beiras, ata onde chegaban as "esmorgas" e "francachelas" co narco. Ante todo o sucedido o voceiro do PP, Pedro Puy, coida que o que cómpre destacar é o "exemplo enorme de transparencia" que está a dar Feijóo aínda que "falemos de algo que non ten nada que ver co exercicio da Presidencia da Xunta. Segundo Puy o único que se puxo en cuestión pola súa banda foi "o formato" da comparecencia e non a comparecencia mesma. Así as cousas, haberá comparecencia e peticións de explicacións e tamén de dimisión, segundo avanzan PSdeG, AGE e BNG.
NOS_8257
O noso país leva tres décadas encadeando máis mortes que nacementos. Temos das taxas de natalidade máis baixas do mundo e a taxa bruta de mortalidade supera amplamente a media estatal.
Máis un novo dato demográfico, máis unha mala nova para Galiza. Desta volta é do movemento natural de poboación, do Instituto nacional de estatística (INE). En 2016 naceron no noso país 19.049 persoas e faleceron 31.732. Temos, pois, un rexistro negativo de – 12.683. É dicir, que morreron 12.683 persoas máis das que naceron, o peor saldo vexetativo do Estado español, algo que xa non é ningunha novidade. Pero, ademais, é o peor rexistro desde mediados da década dos 70. En 2015 o saldo vexetativo foi tamén negativo para o noso país, pois houbo 12.269 falecementos máis que nacementos. Unha triste marca que superamos en 2016. A taxa bruta de mortalidade é en Galiza de 11,7 falecidos por cada mil habitantes. Son 3 puntos máis que a media española, que é de 8,8. Máis preocupante é o que atinxe á natalidade. A taxa bruta de natalidade (nacementos nun ano por cada mil habitantes) é en Galiza do 7,1. É dicir, que nun ano nacen por cada mil galegos, 7 crianzas. Un dato que nos sitúa como o país do mundo coa taxa de natalidade máis baixa se nos comparamos cos perto de estados que existen. O segundo país coa taxa bruta de natalidade máis baixa do planeta é Bosnia Herzegonina, e ten un 7,6%, porcentaxe que supera en 5 décimas á galega. E Xapón, terceiro país neste triste ranking ten unha taxa do 8%. A media no Estado español supera o 9% e na Unión Europea sitúase por riba do 10%. Xa non falemos de Níxer ou Mali, cun 45% de taxa bruta de natalidade. O IGE aventúrase en 2014 a proxectar como sería a pirámide poboacional dentro dunha década e advirte de que Galiza "perderá un 5,4% da súa poboación". Isto é, 147.752 habitantes no período 2013-2023. Por provincias, Lugo e Ourense serán os espazos de maior redución. E no tocante ás comarcas Os Ancares, A Fonsagrada e Sarria xunto con Baixa Limia, A Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana veranse máis atinxidas.
NOS_7642
Son varios poemas en español e un galego para sumar ao escaso corpus de manuscritos de Rosalía. A Real Academia Galega presentou na súa sede varios documentos con poemas escritos a man da escritora, algúns inéditos, nun acto no que se deitaron novas interpretacións sobre o fin literario da autora que estaría nos seus últimos días a escribir o libro en español "Postrimerías".
O secretario da Academia Galega, Henrique Monteagudo máis a profesora e investigadora Mª Xesús Lama foron os encargados de facer públicos os manuscritos da autora de "Cantares Gallegos", uns documentos que o presidente Xesús Alonso Montero, cualificou de "valiosísimos". Da man de Henrique Monteagudo coñeceuse un poema manuscrito inédito en galego,que pertencería á súa primeira etapa poética. O poema foi achado no proceso de preparación dun álbum rosaliano con pezas escritas da súa man co que a institución buscaba participar na conmemoración do 150 anos de Cantares Gallegos. Segundo o secretario da RAG, o manuscrito fora depositado no Arquivo Municipal da Coruña polas fillas de Rosalía. "Este texto é probablemente un esbozo en dezaseis versos dun poema máis extenso, que polo seu feitío recorda aos publicados en Cantares Gallegos", indicou Monteagudo que situou a escrita na década de 1870. O derradeiro libro que non foi En canto aos textos manuscritos en castelán, proceden do propio Arquivo da Real Academia Galega e foron maiormente publicados no libro "En las orillas del Sar". Arredor deles, a investigadora María Xesús Lama destacou que o último dos manuscritos é o que deita nova información sobre a historia literaria de Rosalía xa que, segundo sinalou, deixa á vista a intención da autora de publicar un novo libro de poesía en castelán que respondería ao título de "Postrimerías". "Sen embargo, nese título de Postrimerías, delatábase a conciencia da autora de que sería o derradeiro", explicou. "Son unha contribución moi valiosa, un ramo excepcional ao ano do sesquicentenario da publicación de Cantares, que supuxo unha verdadeira treboada rosaliana, cunha multitude de actos ao longo de todo o país que amosa que o proxecto de Rosalía para Galicia segue vixente", afirmou Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, que tamén participou na presentación. A RAG disponibiliza na súa páxina un documento no que se recollen os ínéditos manuscritos e os textos explicativos de Henrique Monteagudo e María Xesús Lama.
NOS_45636
Guísomo eu é un proxecto das artistas e estudantes universitarias Uxía Miranda, Malena Fernández, Xiana Fole, Catalina Eirea e Sara Castro. No manifesto recollido na súa páxina descríbense como defensoras da liberdade e a responsabilidade afectiva como mellor maneira para existir. O seu obxectivo é crear unha pequena comunidade artística na que proxectos profesionais e principiantes convivan. Tras publicar o seu primeiro fanzine, traballan en desenvolver actividades que dean voz ás novas artistas galegas.
-En que consiste o seu proxecto? Guísomo eu naceu coa idea de ser unha plataforma na que as artistas galegas que soben contido ás redes sociais pola súa conta puidesen expresarse e publicar de maneira conxunta, traballar con persoas diferentes e tecer redes de contactos. Persoas que se dedican ao debuxo, á elaboración de ilustracións ou colaxes... por ese motivo escollemos o noso nome. Queremos facer fincapé no concepto de que a artista constrúe a súa propia arte, e é quen a dá a coñecer ao mundo. De todas as posibilidades que se nos ocorreron, pareceunos o nome máis axeitado e o que mellor recolle a esencia do noso proxecto. -Parece que teñen moi clara a súa idea do que debe ser Guísomo eu, pero xurdiu de súpeto ou era algo que levaban tempo pensando facer? Atoparon atrancos á hora de gravar o documental? Precisamente no editorial do noso primeiro fanzine nárrase como foi o nacemento de Guísomo eu, despois dunha conversa no piso no que viviamos Uxía, Catalina e máis. Por resumir, era algo que levabamos moito tempo pensando en deseñar. O xerme do noso proxecto estaba en estado latente, pero non o desenvolvemos totalmente até que non o pronunciamos en voz alta. A partir dese momento, foise engadindo máis xente. Decatámonos de que non só éramos nós as que sentiamos a necesidade de organizar a xente e de proporcionarlles un espazo no que poder expresar e expresarse. -Aínda que o obxectivo do proxecto é darlle voz a todas as artistas que o precisen, teñen algún criterio para decidir quen pode participar? Nós decidimos reducilo ao ámbito da Galiza. É certo que, por exemplo, están a crearse outro tipo de proxectos similares en Madrid ou Barcelona, cidades máis grandes que Santiago de Compostela. Pero nos queríamos acoller o ámbito galego e as artistas galegas. Artistas que poderían ser consideradas principiantes, ou que teñen un pouco máis de carreira profesional pero que gostan de participar neste tipo de iniciativas. Por sorte, para o primeiro fanzine puidemos publicar toda a xente que nos mandara colaboracións. Para nós iso foi un auténtico éxito. -Acaba de falar do seu fanzine. Ademais deste, que outras actividades fan ou teñen pensado facer? Despois de abrir a nosa convocatoria para as artistas e de publicar o fanzine, organizamos un pequeno festival nun parque de Compostela. Nel presentamos Guísomo eu e convidamos algunhas das colaboradoras que participaran no fanzine para que puidesen expor as súas obras e a facer un pequeno mercado no que os asistentes ao festival coñecesen as artistas de maneira presencial. Conseguimos materializar todo o apoio que estas rapazas e rapaces reciben a través de redes. Agora estamos coa organización dun segundo fanzine. Neste número, cada proposta é elaborada por dúas persoa emparelladas que elaboran unha peza en común. Ademais, estamos planeando facer algún evento presencial en verán, como un obradoiro ou outro festival. Pero claro, sempre e cando o permitan as restricións sanitarias. -Que importancia teñen iniciativas como Guísomo eu para as artistas galegas? Fan falta plataformas e lugares nos se que organicen todas estas artistas que se cren principiantes para que comecen a ter maior confianza e que poidan desfrutar do recoñecemento que teñen nas redes sociais as súas obras. Construír estes espazos materializa o apoio que fornecemos ás artistas cando lles damos a "gústame" nas redes ou cando compartimos as súas pezas.
NOS_10491
Transcorridos dez días desde a vacinación, deberían permitirse ás persoas usuarias de centros sociosanitarios até tres visitas por semana de unha hora cada unha. Porén, segundo denuncia REDE, isto non se está a respectar.
A Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia REDE denuncia o incumprimento da lexislación vixente sobre o réxime de visitas. Unha vez administrada a segunda dose, e transcorridos dez días, deberían permitirse ás persoas usuarias de centros sociosanitarios até tres visitas por semana. Porén, segundo apuntan desde a entidade, en boa parte das visitas pode acontecer que non se respecte e só se permita unha visita á semana. Apuntan directamente que é costume nas residencias da terceira operadora da Galiza, Hermanitas de los Ancianos Desamparados, que segundo a rede "marcan o top 1 en canto á vulneración reiterada das normas, xa desde o mesmo 26 de maio de 2020", no inicio da desescalada. Entre as vulneracións estaría o goce dun tempo inferior de visita, media hora en lugar da unha estipulada, ou mesmo "uns miserábeis 20 minutos". Nisto citan exemplos de residencias públicas, con xestión privada, como a de O Carballiño (30 minutos) ou a de Arteixo (20 minutos), e a privada de Vimianzo, propiedade da maior operadora do Estado (DomusVi). No que atinxe ás saídas, estabelecidas en dous días á semana durante dúas horas, denuncian que "boa parte das residencias non informa aos familiares desa posibilidade". E neste senso lembran que a información de moitas persoas se limita a estas comunicacións e as das propias asociacións, pois a Administración non se ocupa de manter informadas as afectadas sobre os seus dereitos. Neste senso, desde a federación lembran que algún portavoz da segunda operadora en número de prazas na Galiza, a Fundación de San Rosendo, chegou a expresar, ante as reclamacións dos familiares para que se axustasen ás normativas vixentes que "nós estamos por enriba da Xunta". "Os familiares estamos cansos, fartos, destes incumprimentos graves" que "desde hai nove meses vulneran os dereitos de usuarias e familiares". Lembran que isto pode repercutir negativamente na saúde das persoas maiores. Vixilancia por familiares A Xunta, derivando a vixilancia nas familias, "segue sen actuar con contundencia", aseguran. "O colmo é que ningunha residencia das 262 que existen na Galiza cumpre a terceira posibilidade de visita, en vigor desde o 17 de novembro, que afecta aos dereitos das persoas máis vulnerábeis, os grandes dependentes, que poderían ser visitados cada día entre 30 e 60 minutos". Até agora foi imposíbel conseguir isto. A norma tamén indica: "Favorecerase o contacto diario con familiares ou amigos mediante chamadas telefónicas, videochamadas ou videoconferencias. Os medios técnicos para a realización destas proveranse polos centros". Se xa as outras vías eran complexas, está suma aínda máis dificultades, segundo denuncian desde a federación. Protesta en Porta do Camiño Doutra banda, desde a CIG, Xan Carlos Ansia califica de "pantomima" a visita que Alberto Núñez Feixoo, presidente da Xunta, ten previsto facer a segunda feira á residencia compostelana Porta do Camiño. Ansia valóraa como unha "desconsideración e falta de respecto", ao considerar que emprega unha visita protocolaria como propaganda electoral. En troques disto, pídelle ao mandatario que reciba os representantes dos traballadores para tratar as problemáticas que afrontan no día a día. Reclaman especialmente a devolución do descanso por traballar fins de semanas e festivos, a dotación de máscaras FFP2 para traballar en primeira liña con seguridade ou a compensación por facer cribados e PCR en días de descanso.
PRAZA_19844
Penso que a cuestión é realmente grave e non vexo aos partidos políticos, metidos no seu quefacer diario, moi preocupados por isto, non escoito por ningures resoar "non a guerra" como nos tempos do Vietnam.
Cando éramos rapaces podíamos ver películas creo que cualificadas como azuis que eran as toleradas para menores, e na década dos 50 os cines producían películas bélicas nas que os americanos deleitábannos cos seus pretendidos triunfos alí onde ían a salvar ao mundo do comunismo aínda que na realidade perdesen, alguén irónicamente no caso do Vietnam dicía que aínda que na realidade perdesen non importaba porque logo gañaban nas películas. Pois ben nos anos 50 foron os tempos da famosa guerra de Corea e aí íamos ver as heroicidades dos soldados americanos en "Paralelo 38". Nome que lle ven porque a invasión de Corea do Sul (CS) por Corea do Norde (CN) foi parada grazas a intervención americana pero que non puido ir máis alá do paralelo 38, liña que hoxe marca tácitamente ambas fronteiras sen que ningunha das Coreas renuncie a unha unificación imposible dadas as disparidades ideolóxicas. Isto significa tensións continuas entre ambo territorios que implican directamente a EE.UU protector absoluto de CS por razóns de parapeto ideolóxico e xeoestratéxicas dado o lugar onde atópase. Non cabe dúbida que a cuestión de Corea que mantíñase nun ten contén, coa chegada de Trump convérteuse nun polvorín que non se sabe como pode empezar pero se faino, albíscase como pode rematar, moi mal. Parece evidente que CN únicamente con 24 millons de habitantes, polo tanto duplicada en poboación por CS con 50 millóns e baixo o paraugas norteamericano con máis de 300 millons e un potencial militar impresionante nada podería facer nunha confrontación se non tomase unhas medidas completamente extraordinarias para defenderse dunha guerra que comezou no 52 pero que na práctica aínda está inacabada pois non hai tratado de paz ningún entre ambas Coreas. Por iso a súa única defensa foi converterse máis que nun estado normalizado, nun bastión militar ata os límites que fosen precisos. Penso, pois, que para CN o acadar a nuclearización lonxe de ser cunha intención expansionista obedece únicamente a unha necesidade de supervivencia. Non é, pois, CN quen poñe en perigo a paz mundial porque proba armas balísticas capaces de transportar bombas nucleares, sinxelamente o mesmo que fan outros países que as teñen. Por que uns poden telas e outros non? Seica que ten que haber no mundo uns pacificadores cun poderío que sexan quen decida quen pode telas e quen non? As armas nucleares o mellor é que non as teña ninguén pero se alguén as ten todos teñen dereito a defenderse coas mesmas oportunidades diante o perigo de ser arrasados, como sería o caso de CN. O problema está no energúmeno que chegou á Casablanca empeñado en que USA é o amo do mundo xerando na súa poboación unha absoluta incertidume. Incapaz de atopar unha idea sensata na cabeza, impredecible nas súas esperpénticas decisións, acostumado a unha opulenta vida ignorando que fora do seu mundo de fantasía viven seres humanos, estamos diante dun ente capaz de provocar un armagedòn, mentres bótase unha sesta tranquilamente soñando con "America first". Resulta extremecedor que o ministro de exteriores chino comentase despois de falar con Trump "hoxe en día unha guerra entre potencias nucleares non as gaña ninguén", algo debeu de temer deste irresponsable. Pensa logo Trump que vai entrar en CN como pola súa casa sen que China faga nada? Que China vai permitir que o seu patio traseiro quede sen un aliado potencial, arrasado e substituido por adversarios perigosos para a súa seguridade e posesións no mar de China?, e despois de China suma e segue porque atacar militarmente a CN témome que sería o inicio dunha carreira de destrución irreparable que pode afogar a humanidad nun mar de cinzas, entón se que será posible o final da Historia.. Estamos en risco diante unha nova era que volveuse impredecible e turbulenta, abafados pola propaganda e os contos que nos contan os mediáticos dos "pacificadores bos", que aconsello ler o que din ao revés para poder sacar algunha conclusión acertada, (por exemplo se poñen: Corea desafia a Trump pois ler que Trump desafía a Corea). Penso que a cuestión é realmente grave e non vexo aos partidos políticos, metidos no seu quefacer diario, moi preocupados por isto, non escoito por ningures resoar "non a guerra" como nos tempos do Vietnam. A ver se vai suceder como ao principio da nosa guerra incivil cando aquel vasco dicíalle ao amigo "parece que empezou a guerra" e o outro contestoulle "ah! si pero é entre españois", cando os alemáns bombardearon Guernica decatouse que tamén ía con eles. Da a impresión que aquí sucede algo semellante a cousa é entre CN e USA, pero non esquezamos que pertencemos a OTAN é dicir somos amigos de Trump, que ironías.
NOS_2758
Conforme se achega a fin de semana, a Facultade de Ciencias de Comunicación vai ficando baleira. O estudantado é moi dado a non aparecer a sexta feira. O edificio de Álvaro Siza, que xa é frío de por si, convértese entón nun lugar semi-desértico.
No entanto, o pasado sábado 10 de novembro unha marea de mulleres invadiuno todo. Eran as Xornalistas Galegas, colectivo xurdido ao redor do 8 de marzo. Estaban nerviosas, tratábase dunha data importante. Ante elas tiñan un salón de actos cheo de mulleres que depositaban nelas a súa confianza de cara a unha mudanza do discurso mediático. Comezaban o acto lembrando o seu xermolar nun acto en Madrid organizado por Las periodistas paramos. Foi ao se decataren da unión feminina noutros recunchos do estado español que decidiron xuntar forzas. O manifesto veu a luz o pasado xullo. O acto foi a culminación duns meses de moito traballo á hora de sentar as bases. Mais foi tamén o inicio do traballo de campo. Anunciaron, pois, dúas medidas que consideran fundamentais para corrixir o nesgo de xénero nos medios de comunicación. A elaboración dunha axenda de expertas que pasarán a redaccións de todo o país e a creación dun observatorio feminista, que sacará o seu primeiro informe o próximo 8 de marzo. Contaron con dúas madriñas exemplares. Históricas feministas galegas como son Margarita Ledo e Rosa Cobo. Ledo, xornalista, cineasta, académica e primeira muller en gañar o premio Otero Pedrayo, amosouse cómplice e orgullosa de ver o traballo dunha vida reflectido nas xeracións que a preceden. Contou como ao licenciarse en xornalismo no ano 1973 non a querían coller en ningún xornal porque "unha muller non encaixa co perfil que buscamos". E incitou as alí presentes a non deixarse amedrentar. "Temos dereito a loitar polos nosos dereitos" Tivo tempo tamén de se lembrar do persoal da TVG en protesta contra a manipulación informativa, a quen adicou a súa intervención. Pola súa parte, Cobo, teórica do feminismo, profesora de socioloxía e directora do Centro de Estudios de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña, incidiu na importancia deste tipo de actos para cambiar as tornas dunha sociedade patriarcal. "A desigualdade non é algo opinábel. Existe e ten raíces moi fondas. Na sociedade civil está a orixe de todos os cambios", dicía. Pero non foron os únicos apoios. Entre o público, caras coñecidas como Olalla Rodil e Tati Moyano. E nos vídeos proxectados, Suso de Toro, Javier Rey ou Ledicia Costas sumábanse aos azos á formación. "Estamos fartas de que nos desacrediten na esfera pública cando somos quen sostemos a esfera privada", sentenciaba a escritora viguesa. A desigualdade non é algo opinable. Existe e ten raíces moi fondas Finalmente unha mesa redonda de mulleres destacadas nos seus ámbitos respondeu á pregunta Por que é necesario un xornalismo con perspectiva feminista?. A súa presenza foi amplamente aplaudida. Dende os seus campos, algúns tan masculinizados como a ciencia, a xustiza ou os deportes, Paz Filgueira, Joana Magalhães, Alba Nogueira, Silvia Pérez Freire, María Xosé Porteiro e Elena Roca aportaron datos e experiencias persoais nos seus encontros cos medios. Magalhães, por exemplo, insistiu na importancia de aplicar cotas de xénero as fontes con datos tan desoladores como que só 20% das fontes citadas en novas sobre ciencia son mulleres, cando son 40% do total de traballadoras. Roca fixo o mesmo co seu, engandindo que na prensa deportiva só 7% das noticias tratan sobre mulleres. A xornada rematou cunha sensación de orgullo e sororidade. Tras escoitar as testemuñas, as asistentes decatámonos de que un xornalismo feminista é posíbel e que está na nosa man cambialo. Unidas somos máis fortes. As xornalistas feministas chegaron para non marchar.
NOS_51556
Malia a última polémica desta semana coa familia Franco -que pediu á Xustiza poder retirar o antes posíbel os bens que están dentro do pazo- e as críticas e preocupación polo posíbel "espolio" chegadas desde distintos ámbitos, a institución coruñesa segue a traballar nas iniciativas a pór en marcha no complexo.
A xunta de portavoces da Deputación da Coruña acordou hoxe remitir á comisión técnica sobre os futuros usos do pazo de Meirás, un manifesto que insta a empregalo para a recuperación da memoria histórica. O grupo, integrado quer polas propias Administracións públicas, quer por especialistas, recibirá o documento 'Por un pazo de Meirás dedicado á memoria' que foi promovido por Montse Fajardo, María Xosé Bravo e Marta Dacosta. A idea é que nos debates sobre as futuras actividades que acollerá o complexo situado no municipio de Sada se incorpore o informe. Segundo avanzan fontes da Deputación, o texto ten "un punto de partida feminista" e reclama que Meirás sexa un centro "dedicado á memoria antifranquista". Alúdese á loita feminista, mais sen que esta se utilice "de maneira interesada para impedir o uso como espazo referente da memoria". De momento, o manifesto xa conta coa sinatura de apoio de 1.600 particulares e representantes de entidades. "Cremos que é o momento de mudar o seu significado e convertelo no símbolo da restitución da memoria das vítimas e da loita emprendida pola sociedade civil para acabar coa impunidade", destaca o propio documento. Ademais, alude ás mulleres que padeceron a represión como foi o caso "das propias labregas de Meirás en 1933, cando foron desposuídas das súas terras para maior gloria da familia Franco". Este novo paso de cara ao futuro do complexo coincide no tempo coa solicitude, por parte do avogado da familia do ditador, de que se lles permita a retirada dos bens mobles con urxencia. De feito, o letrado asegurou que os achegados tamén pensan levar os elementos baixo a protección BIC por considerar que lles pertencen.
NOS_12766
O documental "Mestre de Campións" recolle unha historia pouco coñecida: a revolución que provocou o desembarco a principios dos 80 en Noia de disciplinas aínda descoñecidas no Estado como full contact ou kickboxing e como desta vila saíron campións que chegaron a loitar até en Rusia.
Noia, berberechos. Avilés de Taramancos. San Martiño. París de Noia. Almirante Luis Cadarso. Os Tamara. María Mariño. Prismas. E, tamén, Noia, campioa mundial de full contact e kickboxing. Dúas disciplinas que, aló polos inicios dos 80, eran prácticamente descoñecidas no Estado español mais que collían forza en Noia da man dun ximnasio montado por un que veu de Holanda. Axiña sairán del loitadores que competirán polo mundo adiante. Unha historia que vén de coller forma de documental en 'Mestre de Campións', o primeiro traballo como director de Miguel Barreiro. "De pequeno vin algún combate", lembra Barreiro, "e despois fun ver algunha velada", engade, tirando de memoria e dando testemuña de cómo en Noia ían marcando terreo estas disciplinas, algo extraño no resto do país naquelas alturas. O xerme do documental prendeu hai tres anos, explica: "Para o meu proxecto de fin de ciclo pensei en facer algo sobre deportistas que ían para a elite e que finalmente quedara todo en nada". Contactou a tal fin cun daqueles loitadores dos 80 en Noia, Da Silva. E de aí naceu o documental: "Quedei con eles, co xente que ían a aquel ximansio, e graveinos". Full Contact e kickboxing atoparon, pois, terreo de cultivo nauela Noia dos oitenta: "Era xente mariñeira, dura" e de aí naceu unha serie de loitadores que chegou mesmo a pelexar en Rusia: "Tivemos campións do mundo en amateur e do Estado", lembra Barreiro, satisfeito co resultado do traballo e que agradece o apoio e colaboración, entre otros, de Juan Canaval, Antón Álvarez ou o Concello de Noia. "Temos que recordar e homenaxear estes loitadores que levaron o nome de Galiza por todo o mundo" "A min gustoume como ficou o documental, agora o importante é que lle guste á xente", sinala. "Temos que recordar e homenaxear estes loitadores que levaron o nome de Galiza por todo o mundo", manifesta. 'Mestre de campións' estrénase este sábado en Noia, ás 20:00 horas no Teratro-Coliseo da vila e con entrada de balde. Un estreno que se dá no marco da XIX edición do Festival de Curtas Vila de Noia.
PRAZA_10102
Sen facer referencia a VOX, o líder do PPdeG pediu "unir o voto de PP, Ciudadanos e outras formacións moderadas" para "non repetir a mesma decepción a noite electoral do 26 de maio"
"É verdade que non soubemos explicar nas xerais que a división do voto prexudicaba os votantes do PP". Na mesma apertura da campaña electoral Alberto Núñez Feijóo centrou o seu discurso en alertar dos riscos da "división" do voto de dereitas, por primeira vez en moito tempo fragmentado en varias opcións. Este sábado o presidente da Xunta repetiu a mensaxe varias veces, chamando por exemplo en Verín a "unir o voto porque as candidaturas do PP en Galicia son a única alternativa con posibilidades ante PSOE, populistas e nacionalistas".Núñez Feijóo pediu "unir o voto os votantes do PP e de Ciudadanos" para "non repetir a mesma decepción a noite electoral do 26 de maio"No mitin que compartiu co presidente provincial Manuel Baltar e co candidato á alcaldía Juan Jiménez, Núñez Feijóo lembrou "a decepción que sentiron dez millóns de españois tras ver que coa división do voto Pedro Sánchez volveu ser presidente do Goberno" e pediu "unir o voto os votantes do PP, de Ciudadanos e votantes moderados doutros partidos" para "non repetir a mesma decepción a noite electoral do 26 de maio".Na súa intervención, o líder do PPdeG non citou a VOX, que presenta lista nas sete cidades galegas e nalgunhas vilas. A pasada semana o PP tentou esquivar sen rexeitalos os posibles pactos municipais coa extrema dereita. Paula Prado e Agustín Hernández dixeron preferir agardar aos resultados das urnas nos concellos antes de pronunciárense sobre os eventuais pactos.Núñez Feijóo estivo ademais en Barbadás, Cee, Vimianzo, actos nos que reiterou varias veces a mensaxe da "unidade" dos perigos da división: "Cada vez que dividimos o voto convertemos un goberno en desgoberno". Sen aclarar se o PP pactaría ou non con VOX nos concellos galegos, o presidente da Xunta si acusou o PSOE pactar "sempre que pode con nacionalistas, independentistas e populistas, os seus socios no Goberno de España e nas cidades".
NOS_58486
O festival de narración oral retorna á Coruña entre o 29 de setembro e o 3 de outubro.
Desde hoxe e até o sábado 3 de outubro volve á Coruña o festival Falando a Boca Chea, no que a narración oral é a protagonista. Organizado por Artestudio Xestión Cultural co apoio do Concello da Coruña e do Fórum Metropolitano, trae á cidade herculina diversos espectáculos que representan colectivos de teatro afeccionado, xunto a recoñecidas narradoras galegas e novas voces desta disciplina na Galiza. O obxectivo do evento é achegar á xente de todas as idades este eido de tanta tradición e, a través del, tratar todas as cuestións que teñen a ver coa persoa como parte da sociedade. Porén, as historias tamén se ocupan dos grandes interrogantes da existencia humana, naquilo que se relaciona coa chave do misterio da vida, sen explicacións realistas e pesadas. Conecta así, por vía do simbólico, os soños ou a poesía cunha dimensión emancipadora, desde o punto de vista da liberdade da imaxinación e da comprensión dos mecanismos do desenvolvemento psicolóxico da persoa. En dous espazos Será obrigatorio usar máscara en todos os espectáculos. Ademais, daráselle prioridade a venda anticipada de billetes e de convites en liña. O festival desenvolverase principalmente en distintos espazos do Fórum Metropolitano, como en pasadas edicións. No vestíbulo, atoparemos espectáculos dirixidos a todo tipo de público, en que a entrada será de balde até completar capacidade máxima. Contarán con Vero Rilo, Caxoto, Soledad Felloza e o colectivo de narración oral Cédoche a palabra, no que os contos na lareira e da vida cotián serán os protagonistas. Neste espazo, adaptado para o público familiar, tamén estarán as sesións para crianzas de 2 a 4 anos, con contos e arrolos para as máis cativas, da man de Bea Campos e Soledad Felloza, tamén con convite. Por outra banda, no auditorio haberá espectáculos destinados a público adulto, coa presenza de narradoras e narradores con recursos e estilos moi diversos, como Celso Sanmartín, Gari, Carmen Conde ou Quico Cadaval. Igualmente, participa neste apartado do programa o colectivo amador Cédoche a palabra. Tamén na escola O festival estará presente no ámbito escolar, xa que os días 19 e 20 de outubro haberá dúas sesións de narración exclusivas para alumnado de ESO, bacharelato e Formación Profesional: "Os contos da fantástica tía Pilar", por Bea Campos e "Feirantes", por Ramiro Neira.
NOS_33205
O BOP desta terza feira, 31 de marzo, publica as medidas para reactivar o sector cultural adoptadas pola Deputación, que se puxo en contacto coas asociacións profesionais para coordinar actuacións.
O Boletín Oficial Provincial da Coruña publica nesta terza feira, 31 de marzo, as primeiras medidas tomadas pola Deputación co fin de reactivar o sector cultural e que trasladou ás distintas asociacións profesionais para coordinar unha resposta conxunta. "A área de Cultura da Deputación da Coruña está a promover a modificación de liñas de traballo para adaptalas á situación actual e novas iniciativas encamiñadas a paliar os efectos negativos que a COVID-19 vai ocasionar no mundo da cultura", sinalou o departamento que dirixe Xurxo Couto. Entre estas accións, segundo recolle o BOP, destaca a flexibilización das bases da Rede Cultural, coa ampliación do prazo de programación por parte dos Concellos. Esta estenderase até o primeiro trimestre de 2021 "para así manter o orzamento e as actividades da edición anterior", explican desde a área de Cultura do organismo provincial. Pagamentos pendentes Xurxo Couto, nunha carta enviada ás asociacións profesionais, comunicou que a Deputación "dará prioridade á realización dos pagamentos pendentes, garantirá as programacións propias con axustes á situación sanitaria no calendario previsto, e prorrogará o prazo para o desenvolvemento e xustificación das actividades subvencionadas". Ademais, mostrouse aberto á "achega de propostas" e anunciou que, unha vez se poida regresar á normalidade, impulsarase "unha campaña de apoio á cultura galega".
PRAZA_16003
Un acto no cemiterio de Boisaca homenaxea a Díaz Pardo no seu sexto cabodano e destaca o labor por crear "un país con estruturas e moitas posibilidades" dunha figura "única" Seis vídeos para lembrar a Isaac Díaz Pardo O humilde brillante
Seis vídeos para lembrar a Isaac Díaz Pardo O humilde brillante Un cesto de mazás e dúas pombas, xunto cunha ofrenda floral, ao igual que noutros actos doutros anos. Así foi homenaxeado este domingo o intelectual, empresario, editor e galeguista Isaac Díaz Pardo, de quen o pasado 5 de xaneiro se cumpriron seis anos da súa morte. Neste sexto cabodano, Díaz Pardo recibiu unha homenaxe "que non se lle fai a ninguén en Galicia", segundo advertiu o ex-presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, que explicou que as "pombas de paz" e o cesto das mazás aparecen por seren elementos mencionados no poema de Lorenzo Varela (Compañeiros da miña xeración mortos ou asasinados) e no que se evoca "a decencia e a memoria viva dos que fixeron algo polo país". Nesta ocasión, foi a escritora Olivia Rodríguez a que leu o poema nun acto no que se definiu a Isaac como o "reconstrutor da patria despois do desastre da Guerra Civil e dun momento de tanta depresión e tanta derrota". Así o fixo Víctor Freixanes, actual presidente da RAG, que explicou que durante o franquiso foi Díaz Pardo quen logrou conectar con "toda a enerxía" dos exiliados en Bos Aires ou quen puxo en marcha o proxecto do grupo Sargadelos, "un dos proxectos máis brillantes" que, dixo, xunto á editorial Galaxia "mantiveron o alento de esperaza entre os 50 e os 70. Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou as "moitísimas facetas" de Díaz Pardo, de quen destacou que dedicase "toda a súa vida, a súa creatividade e o seu xenio" a crear "un país con estruturas e moitas posibilidades" e, ademais, en momentos "moi difíciles". "Todos os que tivemos a fortuna de coñecelo soubemos como Isaac foi unha persoa constante, íntegra, con moitísima capacidade de comprensión e de análise", engadiu, tras cualificar de "única" a figura do homenaxeado. "Galicia non ten moitas oportunidades de honrar personaxes coma el", asegurou. O acto estivo presidido por dúas bandeiras, a galega e a da República Española, e nel interviron tamén María do Cebreiro, Afonso Vázquez Monxardín ou Claudio Rodríguez Fer. O punto final púxoo a música, coa interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia e do Grândola, Vila Morena.
NOS_44180
O Ministerio impugna a matrícula na escola pública catalá por entender que non cumpre a Lomce e que discrimina o español no ensino. Todos os partidos, agás PP e Cs, fan fronte común contra o que cualifican de "golpe á convivencia".
O goberno español defendeu o recurso presentado como un paso para "garantir" que as familias que queiran unha escolarización en español poidan elixir esta opción. Un recurso contra o modelo lingüístico catalán, operativo desde hai 3 décadas e que ten o catalán como idioma principal mentres que as materias de castelán e literatura española impártense na lingua oficial do Estado. A reaccións a este novo recurso axiña chegaron. A Consellería de Educación, Irene Rigau, cualificou a decisión de "ofensa" e anunciou que presentarán alegacións dentro de prezo. Rigaou amosou a súa confianza en que os tribunais van dar a razón ao goberno catalán. De por parte, Artur Mas acusou o PP de quere cambiar o modelo educativo catalán nos tribunais porque non pode nas urnas, Agás o PP e Ciutadans, o resto de formacións (CiU, ERC, CUP, ICV e PSC) consideran que se está perante un novo ataque político do estado español ao modelo de inmersión e unha aposta en 'xudicializar' as aulas.
PRAZA_7845
As promesas de emprego e o desleixo e as facilidades da Administración ábrenlle o camiño a polémicos proxectos mineiros que ameazan con "arrasar" o país. "Este é o momento idóneo e iso sábeno as compañías e o Goberno galego", din os expertos.
Galicia está ameazada pola megaminería contaminante. Iso é o do que nos advirten varios expertos -algúns deles convidados ao I Econtro galego sobre o impacto da minaría que se celebrará este sábado en Teo- ante as continuas noticias de novos proxectos empresariais, apoiados pola Xunta, e que se dispoñen a "destruír o noso patrimonio natural, cultural e paisaxístico, atacar o medio ambiente poñer en perigo a saúde das persoas". E fano, segundo censuran, amparándose nas promesas de emprego e aproveitando a crise e a falta de expectativas laborais da sociedade. Aínda que as consecuencias sexan moito máis graves que os hipotéticos beneficios. Expertos advirten da ameaza que ten o país cunha morea de proxectos mineiros contaminantes Así o advirte Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e investigador do CSIC. Este experto en recuperación de solos será un dos relatores en Teo, onde alertará da ameaza que se lle vén enriba ao país con proxectos mineiros como o de Corcoesto, a Serra do Galiñeiro, a contorna das Fragas do Eume, a Terra Cha, Xinzo de Limia, Castrelo de Miño, Arnoia... Ou coa "aposta decidida" da Xunta polo fracking ou fracturamento hidráulico. Galicia é unha mina, asegura un dos lemas da Dirección Xeral de Minas da Xunta de Galicia, se cadra a evidencia máis clara das intencións do Goberno galego, tal e como lembra González, que é da mesma opinión que Xoán Doldán, profesor de Economía aplicada na USC, experto en Economía Ecolóxica e outro dos relatores do encontro do sábado. En que se basean para asegurar que o Executivo ten unha "aposta decidida" pola polémica megaminería? "A Xunta prioriza aspectos positivos que se sobrevaloran sobre efectos negativos que se infravaloran" "Baséome nas declaracións e na actitude que ten o Goberno á hora de tramitar os diferentes proxectos; priorizando aspectos que se sobrevaloran, como o emprego ou o investimento, en detrimento doutros como a desestruturación social ou os custos medioambientais de cara ao futuro", asegura Doldán, que lembra que a aposta da Xunta "é referendada con declaracións formais e non informais", pero tamén cuns proxectos "integrados na súa política económica". "A aposta é decidida e a Xunta está a darlles facilidades ás empresas", insiste Serafín González, que recorda que a Administración autonómica sacou a concurso "unha boa cantidade de consesións que xa estaban cadudacas para que se presentasen novos solicitantes". Tanto el como Doldán censuran a "celeridade" coa que o Executivo está a "tramitar" os proxectos mineiros, onde, segundo denuncian, "son as empresas as que acaban ditaminando todo porque sempre se acepta plenamente a súa versión". Como exemplo, a mina de Corcoesto e a polémica Declaración de Impacto Ambiental feita pola Xunta. "O Goberno galego acaba aceptando plenamente a versión das empresas" Pero por que agora esta febre mineira? Os críticos con todos estes proxectos téñeno claro. Xunta e empresas aproveitan a crise para levar a cabo os proxectos con máis facilidade. "Non é tanto agora pola necesidade interna da economía galega, senón pola situación de crise, que permite que os proxectos sexan menos cuestionados", di Doldán, que asegura "que a xente se deixa arrastrar máis por anuncios desmesurados sobre as consecuencias positivas da mina, mentres a Administración se corta menos porque sabe que a sociedade está a disposta a aceptar calquera cousa con tal de que ofrezan postos de traballo". Compañías e administracións saben que a crise "é a situación idónea" para implantar proxectos polémicos "Teñen máis facilidades porque o impacto ambiental, económico e paisaxístico que poidan ter as minas son máis fáciles de aceptar en tempos de crise", engade Serafín González. "É a situación idónea e iso sábeno as empresas e o Goberno galego", insiste Doldán, que recoñece tamén "a escaseza de metais a nivel mundial" ou o momento "excepcionalmente bo en canto aos prezos que se pagan" como, por exemplo, no caso do ouro. "Calquera proxecto especulativo está agora disposto a apostar polo que antes sería inviable e máis se contan co favor público", di. E a megaminería adoita contar con ese favor público, e incluso con parte de apoio social, malia que, segundo advirten os expertos, "os resultados económicos que se pretenden obter nunca se acaban de corresponder co que se di". "Sobredimensiónase o emprego ou o investimento, mentres se infravaloran as consecuencias negativas ou os custos que tería que asumir a Administración polos problemas medioambientais ou pola destrución do territorio", engade Doldán, que destaca que estes proxectos mineiros "teñen unha vida moi curta" pero un impacto a moi longo prazo. "Supoñen, en moitos casos, unha ruputra de relacións sociais e económicas xa deterioradas e a imposibilidade de reconstrución das mesmas", destaca. Acábase co modo de sustento económico de moitas familias e con sectores produtivos fundamentais, case sempre en zonas rurais onde a situación xa é mala "e onde precisamente se deberían fomentar as alternativas asociadas ao territorio nestes tempos de crise". Os colectivos e expertos contrarios advirten da corta vida de minas que deixan problemas mentres as empresas levan os beneficios Serafín González pon como exemplo a polémica mina de Corcoesto, que durará uns dez anos. "Un ano para poñela en marcha, oito para explota e outro ano para desmontala; vai xerar postos de traballo, pero quedarán 8.500 toneladas de fariña de arsénico nunha balsa do tamaño de Aznalcóllar", explica, ademais de advertir dos prexuízos para as explotacións agrogandeiras, o turismo rural, a pesca ou a industria forestal, máis aló do terrible impacto medioambiental e paisaxístico. Facilidades en tempos de crise "As empresas aproveitan as facilidades que lles dan para sacar beneficios, levalos e deixar aquí, no mellor dos casos, postos de traballo temporais e, no peor, un enorme problema", insiste. Un problema co que adoita cargar a sociedade. Por iso, os colectivos e expertos contrarios a estes proxectos piden "que se avalíen os efectos negativos, incluído o risco de accidentes". "Se nós estamos tan equivocados e a empresa tan segura, por que non acepta unha cláusula de responsabilidade civil?" "Se nós estamos tan equivocados e a empresa tan segura de que non hai perigo ningún, supoño que terán doado convencer unha compañía de seguros para facer un cláusula de responsabilidade civil", di ironicamente González. Para Doldán, a "reconstrución social e do territorio" é sempre "imposible" porque os lugares onde se asentan estas minas "nunca acaban por volver á situación inicial". E pon un exemplo, tan básico como exemplificador. "En Corcoesto moita xente emprega a madeira dos montes onde se vai situar a mina como combustible para a súa casa; cantas familias terán que ir agora a mercar madeira fóra ou apostar por un derivado do petróleo? Cando marche a mina, teremos posiblidade de reconstruír a masa forestal? Imposible". Polo camiño, pérdese moito, pero a falta de traballo e de expectativas de futuro estanlle poñendo unha alfombra vermella a empresas multinacionais que ven en Galicia un paraíso para os seus proxectos. A única esperanza, tal e como di Serafín González, é que "a presión cidadá obrigue a recapacitar á Xunta e a esixir uns estudos de impacto ambiental como deus manda". Polo visto ata o de agora, fará falta moita máis presión. De momento, o propio experto lidera unha recollida de sinaturas para pedir ao Goberno autonómico que impida "que arrasen Galicia".
PRAZA_13797
Na escola da miña infancia facíannos ler as "Vidas exemplares" de santos e mártires para que nos servisen de guía no camiño da salvación. Algunhas historias eran interesantes mais outras deixábannos o corazón encollido no peito: os desafíos do demo, as macabras torturas dos mártires e a ameaza das lapas do inferno inundaban moitas veces os nosos pesadelos. Agora non son precisos os curas de sotana graxenta e maus pegañentas para ameazar coa eternidade do averno.
Na escola da miña infancia facíannos ler as "Vidas exemplares" de santos e mártires para que nos servisen de guía no camiño da salvación. Algunhas historias eran interesantes mais outras deixábannos o corazón encollido no peito: os desafíos do demo, as macabras torturas dos mártires e a ameaza das lapas do inferno inundaban moitas veces os nosos pesadelos. Agora non son precisos os curas de sotana graxenta e maus pegañentas para ameazar coa eternidade do averno. Agora infúndennos terror os tafures dos mercados financeiros, que xogan co noso futuro no gran casino da economía especulativa, e os ministros de Rajoy, que gozan anunciando cada semana crueis recortes e novas desgrazas para os cidadáns. Lévannos cara o abismo, mais eles sorrín con desprezo e aplauden con entusiasmo no Parlamento. Eu propoño, a quen queira emprender a tarefa, a redacción dunha nova serie de "Vidas exemplares", para coñecer mellor aos protagonistas principais desta crise que ameaza con arruinar a nosa vida presente a o futuro dos nosos fillos. Porque esta crise global ten protagonistas locais que actúan, segundo lles conveña, no terreo da política ou da economía especulativa. O obxectivo é amasar fortunas persoais mediante o saqueo das arcas públicas. Tampouco teñen reparos en realizar enganos masivos nas entidades financeiras e maniobras especulativas de alto risco que provoquen a quebra bancaria: xa virá o Estado a reflotar os bancos co diñeiro de todos. Propoño as seguintes figuras para comezar a serie: -Rodrigo Rato. Foi ministro de Economía (1996-2004) con Aznar; daquela entregaron as cinco grandes e moi rendibles empresas públicas españolas -Telefónica, Endesa, Argentaria, Tabacalera e Repsol- a cinco homes da súa confianza (Telefónica foille entregada ao compañeiro da infancia de Aznar, Juan Villalonga, quen logo deixou o cargo e foi vivir a Miami no 2000 cunha indemnización multimillonaria). Esta maniobra, que fixo perder ao Estado unha importante fonte de ingresos públicos, pode entenderse como unha auténtica expropiación que puxo estas empresas privatizadas ao servizo do Partido Popular. Naquel tempo tamén lle deron un decisivo impulso á burbulla inmobiliaria, que ninguén soubo frear despois, ata que estoupou (agora temos un territorio desolado, con miles de vivendas inacabadas e sen habitar, aeroportos sen avións, autopistas sen tráfico e parques industriais valeiros e invadidos pola maleza) . Rato tiña un gran peso naquel goberno e chegou a figurar como posible substituto de Aznar na presidencia. Ao non acadar dito obxectivo deixou a política e foi o director do FMI ata 2007. Este organismo, baixo o seu mandato, emiteu informes favorables sobre a situación económica mundial cando a crise estaba a producir os seus primeiros efectos. Un documento interno do FMI sinala que vivían instalados nun falso optimismo que non lles permitiu previr a depresión económica. Máis recente é o seu paso por Bankia. Este banco, moi ligado a persoeiros do PP, foi presidido por Rato ata maio de 2012, cando pasou a ser controlado polo Estado debido ao seu precario estado financeiro. En xullo Rodrigo Rato foi imputado pola Audiencia Nacional por malas prácticas na xestion de Bankia, xunto con toda a cúpula directiva. Houbo quen dixo, con sarcasmo: Rato confirma a teoría da evolución; o que seu pai conseguiu en 13 anos a él só lle levou dous (en 1953 o pai de Rodrigo Rato mercou o banco Siero e acabou no cárcere tras a súa quebra en 1966). Este home de xesto adusto e ollada desafiante era a man dereita de Rodrigo Rato nos gobernos de Aznar. Foi un artífice principal das decisións políticas e económicas -Luis de Guindos. Este home de xesto adusto e ollada desafiante era a man dereita de Rodrigo Rato nos gobernos de Aznar. Foi un artífice principal das decisións políticas e económicas que acabo de reseñar. No ano 2003 afirmaba en ABC: "En España no hay burbuja inmobiliaria, sino una evolución de precios al alza que se van a ir moderando con más viviendas en alquiler y más transparencias en los procedimientos de urbanismo". Despois da derrota electoral en 2004 pasou ao sector privado. Ata 2008 foi un alto cargo na compañía americana Lehman Brothers, a que envelenou a banca mundial con productos tóxicos, actuando como principal desencadeante da actual crise económica. Cando quebrou esta entidade financeira pasou a formar parte do equipo directivo da consultora PwC (responsable, entre outras actuacións, da adxudicación do hospital privado de Vigo) namentras colaboraba coa fundación FAES na elaboración do discurso económico do PP que agora, como ministro de Economía, se encarga de aplicar con man dura: recorte drástico do gasto público, reducción á mínima expresión do Estado do benestar, privatización das empresas públicas e supresión dos dereitos laborais. -Cristóbal Montoro. Este andaluz con sorriso de coello (de qué se ri cando anuncia novos impostos e máis recortes para os traballadores?) xa foi ministro de Facenda con Aznar. Home valente e decidido donde os haxa, hai poucos meses, cando estaba na oposición, afirmou en público: "Que caiga España, que ya la levantaremos nosotros". Nesa tarefa anda agora, ainda que ten o compás averiado pois é capaz de decir unha cousa e a contraria sen mudar o sorriso dos beizos. Hai pouco, despois de aprobar a subida do IVE –medida que sempre criticara durante a campaña electoral-, dixo que "si pagaran el IVA quienes lo tienen que pagar no habría que subirlo tanto". Esqueceu don Cristóbal que, despois de deixar o ministerio, montou un influinte despacho denominado "Montoro y Asociados" que se adicou durante anos a asesorar a empresas e contribuíntes ricos co obxectivo de pagar o menos posible á Facenda Pública. Coa axuda doutros ex-altos cargos do seu ministerio colaborou na fraude fiscal axudando aos máis poderosos a burlar as inspeccións de Facenda e a conseguir a anulación de expedientes contra dos seus clientes. Despois de varios anos de adicarse a este lucrativo negocio volveu a ser nombrado ministro de Facenda. Ironías da vida. Esta muller ten demostrado unha capacidade de traballo desmesurada. É capaz de exercer simultáneamente varias tarefas de elevada responsabilidade -Dolores de Cospedal. Esta muller ten demostrado unha capacidade de traballo desmesurada. É capaz de exercer simultáneamente varias tarefas de elevada responsabilidade (presidenta de Castela-A Mancha, secretaria xeral do PP, presidenta do PP da comunidade e diputada autonómica) sen despeitearse. Non é de extrañar que sexa unha das persoas con maior remuneración do país: en 2010 declarou ingresos superiores a 200.000 euros. Unha das primeiras medidas anunciadas por esta audaz política, cando chegou á presidencia de Castela-A Mancha, foi a privatización dos hospitais públicos desta comunidade. Nese proceso levan meses traballando. Dase a casualidade de que a empresa que ten máis posibilidades de recibir esta adxudicación é Capio Sanidad, grupo con fortes lazos con ex-altos cargos do PP e no que exerce un cargo directivo o seu propio marido Ignacio López de Hierro. Nos seus discursos aparece como unha firme defensora da austeridade, mais este tempo de crise non lle impide a dona Dolores mercar unha luxosa mansión na elitista urbanización Los Cigarrales de Toledo, valorada en 2,3 millóns de euros. Esta "casa-búnker" está sendo rehabilitada pola empresa Arción, que casualmente traballa para o goberno que ela preside e ten recibido nos últimos meses varias concesións para diversas obras públicas. -Andrea Fabra. Esta deputada era unha absoluta descoñecida ata que, de xeito sorprendente, foi quen de resumir en tres palabras o ideario do Partido Popular: "¡Que se jodan!". Así o exclamou, nun impulso irracional e pouco meditado, cando o seu xefe estaba a relatar, con voz cansina, a relación completa das desgrazas que seguirán a caer sobre os cidadáns e os traballadores. É filla de Carlos Fabra, ex-presidente da diputación de Castellón, imputado por numerosas causas, que quedará na historia como promotor do primeiro aeroporto sen avións do mundo (presidido por unha enorme estatua inspirada na súa figura) e tamén pola súa fortuna: recibeu numerosos premios na Lotería Nacional. Andrea casou con Juan José Güemes, quen foi varios anos man dereita de Esperanza Aguirre ata que decideu adicarse aos negocios. Viven na exclusiva urganización madrileña de La Finca e teñen como veciño ao capo da Gürtel, Francisco Correa. Pero o seu gran mérito foi atopar a frase definitiva para definir a actuación política deste goberno, que castiga á maioría dos cidadáns mentres protexe e ampara a especuladores, empresarios corruptos, os que acumulan diñeiro negro, aos correlixionarios e aos defraudadores. "¡Que se jodan!": os traballadores, os parados, os pensionistas, os enfermos, os inmigrantes, os mozos, os dependentes, os pobres, os minusválidos; que se queden todos sen futuro, que o noso xa está amañado. Esa é a súa filosofía.
NOS_482
O presidente da Xunta di que a lingua galega "foi capaz de resolver longas noites de pedra". Desde o BNG piden un "novo marco normativo", e o PSOE que traballarán por acabar coa súa "discriminación".
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, quixo lembrar na celebración do Día das Letras Galegas que "o que une a todos os galegos, non é outra cousa que a lingua". A lingua galega "foi capaz de resolver longas noites de pedra, períodos escuros da historia" porque "é o elemento que máis nos une e identifica no concerto de todos os pobos do mundo", destacou o presidente do Goberno galego neste domingo, antes de comezar a conferencia de prensa posterior á décima reunión telemática con Pedro Sánchez, e o resto de titulares autonómicos. Feixoo subliñou que o galego "foi quen de superar todas as vicisitudes" ás que se enfrontou ao longo de "todos estes séculos desde que existimos como pobo", e a respecto da xornada atípica dente ano polo coronavirus dixo que "queda pendente unha mellor celebración", "porque é necesario honrar a Ricardo Carvalho Calero". O presidente mostrouse convencido de que "tamén seremos capaces de superar esta pandemia, da que sairemos máis unidos, fortes e orgullosos do que somos", da mesma forma que "este pobo está orgulloso da súa lingua e das súas letras". BNG: "Fin ao confinamento" Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, alertou da situación de "emerxencia" da lingua galega polas "políticas regresivas e deliberadas" dos Gobernos de Feixoo e o PP. Neste sentido, lembrou que tanto as institucións galegas como as internacionais alertaron da "regresión" desta última década. Para Pontón cómpre un novo marco normativo e comprometeuse a pór "fin ao confinamento" e ás políticas que pretenden reducir e marxinar a lingua galega. Nesta liña, a portavoz da formación nacionalista defendeu "abrir unha nova etapa para o noso idioma é facelo co orgullo de pobo". Tamén recalcou que detrás da lingua galega "está o progreso e a cohesión social". "Con ese espírito ─sinalou─ traballará o BNG para que no futuro contemos cun novo marco normativo que desconfine a lingua galega, permita a súa transmisión xeracional e sexa normalización en todos os ámbitos". PSOE: "Normalidade en todos os ámbitos" O secretario xeral do PSOE galego, Gonzalo Caballero, avogou por "impulsar e promover" o galego para acabar coa "discriminación" que sofre e que poida ser usado "con normalidade no ámbito público e privado". Caballero quixo mostrar o "agarimo e apoio dos socialistas galegos" a lingua, nunha xornada en que se "celebra, promove e impulsa" o idioma "como unha forma de sentir o país", porque "o galego somos todos nós", recalcou. Neste sentido, sinalou que a lingua "non é só unha riqueza cultural e lingüística" da Galiza, senón tamén "un sentimento e un sinal de identidade". Por iso, apostou por "promovelo" para que "non exista discriminación e se use con toda normalidade". Por todo iso, non quixo esquecer o "compromiso galeguista" dos socialistas do país, que se centran "na defensa da lingua propia" como unha "forma de comunicarnos" e na "loita por construír a Galiza que queremos". Galicia en Común e PP Desde a formación Galicia en Común, o secretario xeral de Podemos na Galiza e candidato á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, sumouse á campaña de Queremos Galego usando no Twitter o cancelo #EuFaloGalego. Nesta plataforma escribiu: "Desde o Atlántico, Bom #DiaDasLetrasGalegas a todas". Os populares galegos, pola súa banda, usaron as redes sociais para difundir as mensaxes institucionais do presidente da Xunta neste Día das Letras.
NOS_38937
Inma Otero, filóloga e mestra, conversa con Nós Diario sobre a súa última obra publicada, A materialidade das fillas de Lupa (Xerais), onde reflexiona sobre as personaxes femininas como obxectos da realidade. Otero fala das características que definen estas figuras, dos seus conflitos e de, como ela di, "volver á pregunta filosófica: que é ser muller?".
Cal é a necesidade a cubrir con A materialidade das fillas de Lupa? Constatei que unha das características fundamentais da narrativa a partir do ano 2000 eran as protagonistas femininas e intereseime polos seus trazos. Isto cruzouse cun novo marco teórico ou xiro filosófico cara ao realismo. A literatura sempre foi vista como representación e poucas veces como un obxecto da realidade. É dicir, unha vez que está escrita é un obxecto dificilmente modificábel como unha mazá ou un ser humano, e así o son as protagonistas. Madame Bovary, unha vez escrita e rexistrada como elemento da realidade, tampouco pode ser modificada. Isto implicaba preguntarse que significa ser en feminino e volver á pregunta filosófica: que é ser muller? Así, escribín primeiro O obxecto muller e o xiro ontolóxico (Eusenio? Editores), porque non podía avanzar e pescudar en como estaban feitas as personaxes sen saber antes que era ser en feminino, mais os dous fóronse facendo en paralelo. Cales son esas características que definen as personaxes? A principal é o feito de marcalas como un obxecto en conflito simplemente por ter esa marca de xénero. Moitas das protagonistas aparecen fragmentadas polo que implica a educación social e intentan reconstruírse. Outras, fan do "defecto" a virtude e constrúense como obxectos reivindicativos cunha personalidade moi marcada. Isto é especialmente importante para a literatura, porque é o conflito o que nos interesa. Unha personaxe sen arestas sería un obxecto para a felicidade, mais non habería progresión narrativa. O feminismo desde logo é unha das propiedades que marca moitas destas personaxes. Algunhas delas decláranse abertamente feministas e aí está parte do seu conflito. Outras, aínda que non o declaran ou dinse anti feministas tamén están marcadas por esa propiedade, posto que se reconstrúen no medio dese discurso social. A cousificación tamén é unha propiedade común: mulleres traballadoras desprezadas, mal pagadas e un corpo taxado, así como o aspecto físico. Aparecen moitos espellos porque saben que a imaxe que reflicten ten un prezo no mercado laboral, inclusive nas redes sociais cando falamos de it girls, un termo que xa di moito. Hai diferenzas segundo o xénero de quen escriba as personaxes? Non quixen centrarme tanto na cuestión, que daría para un libro á parte, mais moitas veces os homes prefiren unha imaxe máis mitificada, inclusive para facer denuncia, e aparecen figuras como a da prostituta vista desde o paternalismo. A figura da nai idealizada tamén é común, así como a relación de personaxes femininas e nación, unha apropiación un pouco sentimental do que é ser muller na Galiza. As mulleres polo xeral rexeitan isto, probabelmente porque o mito do matriarcado en moitas ocasións só existía para camuflar o machismo que aínda seguía existindo. Un tipo de personaxe que hai moito nas obras de autoras é a das artistas e creo que ten que ver co contacto coa creación. Os artistas crean e as mulleres tamén teñen que crearse a si mesmas constantemente, emerxer. Quizais tamén porque a muller artista é unha afeccionada mentres que nos homes é unha profesión. Exactamente. Mulleres artistas que intentan ser un espello das autoras, desdobrándose nese xogo da persoa real e a imaxe pública que hai da escritora. Que moitas veces tamén é avaliada con criterios que non se aplican nunca aos homes, como a categoría de literatura de muller como un caixón de xastre ao que van parar escriban o que escriban. É interesante esta autoreferencialidade porque fala da dupla dimensión: a muller nas súas relacións con parentes, fillos e demais e a muller escritora como un obxecto social distinto.
PRAZA_1438
CIG, CC.OO., UGT e CSIF alertan de que só está dispoñible unha aeronave, con base en Toén (Ourense) que debe cubrir toda Galicia. A pasada semana unha brigada helitransportada de Pontevedra desprazouse en coche para traballar no incendio de Lousame, que queimou 28 hectáreas.
Que é unha brigada helitransportada sen helicóptero? Pois simplemento un equipo de extinción que se despraza en vehículos todo terreo para loitar contra un incendio. Esta absurda situación é a que sucedeu a pasada semana no lume declarado en Lousame e que queimou 28 hectáreas. A brigada helitransportada que Medio Rural ten no Campiño, en Pontevedra, chegou ao lugar do incendio en todo terreo, segundo os sindicatos, despois de percorrer ao redor de setenta quilómetros, máis dunha hora de viaxe. A razón é que esta brigada carece de helicóptero, denuncian os sindicatos, que subliñan que na actualidade hai tan só unha aeronave deste tipo operativa en toda Galicia. Trátase da que ten como base Toén (Ourense), pertencente á empresa Naturtecnia, e que dende alí ten que desprazarse a calquera foco contra o que haxa que loitar no país, como de feito fixo ata Lousame. CIG, CC.OO., UGT e CSIF fixeron pública esta denuncia a pasada semana, o que foi negado pola Xunta, que se limitou a dicir que todas as brigadas helitransportadas que se desprazaron a Lousame o fixeron en helicóptero. Isto é negado polas centrais sindicais, que acusan o Goberno galego de "mentir" e salientan que "se a base da Xunta estivese operativa o día do lume a catástrofe sería menor, posto que o tempo de chegada do helicóptero sería moito máis curto". Os sindicatos lembran que o Plan de Incendios de Galicia (PLADIGA) de 2015, elaborado pola Xunta, establece que nesta época de perigo de incendios debería haber dispoñibles 8 helicópteros, dos cales só está activo un, que ademais depende dunha empresa privada. O Ministerio de Medio Ambiente só dispón dunha base en Galicia, en Laza, que neste momento tamén carce de helicópteros. O PLADIGA establece que nesta época de perigo de incendios debería haber dispoñibles 8 helicópteros, dos cales só está activo un, que ademais depende dunha empresa privada Alertan de que as actuais condicións (moi escasa chuvia dende hai meses e forte vento de nordés) elevan o perigo de incendios importantes. Aínda que -en principio- a partir do 1 de xullo poderían pasar a estar operativas máis aeronaves, o risco nestas dúas últimas semanas de xuño será alto. Os sindicatos denuncian que "se están desmantelando os servizos públicos, para favorecer as empresas privadas, posto que mentres as brigadas propias da Xunta carecen de medios aéreos, outras pertencentes a empresas privadas dispoñen de helicóptero". Privatización en 2012 En decembro de 2012 o Goberno galego decidiu a privatización até 2015 "do servizo integrado de helicópteros e brigadas helitransportadas con destino á prevención e defensa contra incendios forestais". A medida incluía polo tanto a externalización do mantemento e posta á disposición das aeronaves e tamén dos equipos de brigadistas que viaxarían nelas. A privatización, cun custe para as arcas públicas de máis de 12 millóns de euros en dous anos, deu lugar de inmediato a denuncias sindicais, que mesmo chegaron até a Fiscalía, e que sinalaban que con esta decisión a Xunta buscaba "beneficiar certas empresas". Inaer e Natutecnia fixéronse coas adxudicacións, nun proceso sen concurso público.
NOS_25716
Un dos tripulantes do hidroavión sinistrado cando realizaba labores de extinción no incendio forestal rexistrado en Lobios faleceu.
Un dos tripulantes do hidroavión sinistrado cando realizaba labores de extinción no incendio forestal rexistrado no municipio de Lobios faleceu. Informou diso a Consellaría do Medio Rural, que explica que o outro piloto sofre varios politraumatismos e foi evacuado a un hospital de Portugal en helicóptero. Aínda que nun primeiro momento fontes da Delegación do Goberno informaron de tres feridos -os dous pilotos e un mecánico-, fontes do operativo consultadas por Europa Press explicaron que só foran atendidas dúas persoas -os dous pilotos-, unha información que tamén confirmou a Consellaría do Medio Rural, que detalla que no avión só viaxaban estas dúas persoas. En concreto, trátase dunha aeronave CL-2015 da empresa civil Babcock, con sede en Matacán, Salamanca, á que o Goberno de Portugal ten alugados tres avións -dous operativos e un en reserva- en operados por Protección Civil no aeroporto de Castelo Branco. O incendio no que o hidroavión prestaba labores de extinción e que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés rexistrouse en Lobios ás 8 horas da mañá procedente de Portugal. Segundo as primeiras estimacións da Consellaría de Medio Rural, afecta a unhas 10 hectáreas en territorio galego. No control participan catro axentes, oito brigadas, tres motobombas, nove avións e cinco helicópteros. O CIAE 112 Galiza solicitou a intervención dos servizos sanitarios, do GES de Lobios, Salvamento Aéreo e Rescate, así como da Garda Civil.
NOS_27955
Tamén baixa o paro na Galiza, con 1.082 persoas menos rexistradas como desempregadas nas oficinas de emprego.
A Seguridade Social gañou 9.670 persoas afiliadas na Galiza en xullo, o que supón unha repunta de 0,92% a respecto do mes anterior, segundo os datos publicados esta terza feira polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Así, o país rexistrou no sétimo mes do ano un mellor comportamento que a media estatal, xa que no total do Estado a Seguridade Social perdeu 7.366 cotizantes en xullo, rachando así coa súa serie de crecemento. Desta maneira, a Galiza alcanzou as 1.058.193 persoas afiliadas en xullo, isto é, 2,12% máis que no mesmo mes de 2021, gañando nos últimos doce meses até 21.921 cotizantes. O paro rexistrado minguou en 0,77% este mes de xullo Por outra parte, o Ministerio de Traballo e Economía Social informou de que o número de persoas paradas rexistradas nas oficinas dos servizos públicos de emprego descendeu en 1.082 en xullo na Galiza, o que supón 0,77% menos que no mes anterior. Desta forma, o paro comportouse de mellor forma no país que na media estatal, xa que no total do Estado o desemprego aumentou o mes pasado nunhas 3.230 persoas, 0,1% máis que en xuño. A maioría do persoal laboral ten un contrato inferior a 40 horas semanais Nos últimos doce meses, o paro contabilizou unha baixada de 12.084 persoas na Galiza, é dicir, 7,95% menos que en xullo de 2021, deixando un total de 139.850 persoas anotadas nas oficinas de emprego.
NOS_3864
O último falecemento por coronavirus no país até o momento é o dunha muller que vivía no centro residencial de Orpea, no municipio de Culleredo. Desde que se instaurou a nova normalidade rexistráronse 32 decesos.
As mortes de persoas polo contaxio do coronavirus na Galiza elévase xa a 651, posto que nos datos feitos públicos hoxe anunciouse o falecemento doutra usuaria dun centro residencial. Neste caso a vítima vivía na infraestrutura Orpea, de Culleredo, ubicada no barrio da Zapateira e que tivo un gromo nos últimos días. De feito, non é o primeiro pasamento que se dá nunha usuaria desta residencia. Á marxe deste caso, entre esta cuarta feira e hoxe rexistráronse sete mortos debido á Covid-19. Todos eles de xente con idades elevadas. Porén, a Xunta non aclarou se a última vítima tiña patoloxías previas. Desde que se comunicou a situación de nova normalidades contabilizáronse un total de 32 decesos, o primeiro deles, o dunha muller o pasado 7 de agosto en Ourense. Antes diso, Galiza levaba case dous meses sen ter que lamentar falecementos por esta enfermidade. Nesta situación tan complicada, e despois de acusar ao Executivo galego de "estigmatizar" o barrio da Milagrosa, en Lugo, (con medidas de contención especiais), o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, demandou ás consellarías de Sanidade e Política Social que fagan as probas PCR nas catro residencias que dependen da institución. A demanda de Lugo Tomé sostén que esta atención debe dárselle "tanto ás e aos residentes como ao persoal, ahora, de forma inmediata e logo, periódicamente". Sería unha estratexia de precaución porque, segundo afirmou, non houbo ningún positivo nestes centros. "Analízanse as medidas que imos tomando sempre tentando anticiparnos, como co feche das visitas para evitar calquera tipo de contaxio", comentou, ao tempo que destacou que os protocolos para as e os traballadores están moi claros.
NOS_6635
Xa está no prelo o número 366 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa a partir da noite da cuarta feira e nos quiosques a partir da quinta feira. Abrímolo cs resultados da enquisa de uso e coñecemento do galego publicados polo IGE, que son contundentes: a lingua atópase no peor momento da súa historia.
Entre 2003 e 2015 o número de persoas que se declaran galegofalantes descendeu un 30%. E son cada vez menos as crianzas que, na Galiza, aprenden a falar na lingua do país. O Tema de Primeira do semanario Sermos Galiza recolle a análise de expertos e expertas sobre a situación do galego, que cualifican como a peor da súa historia. Sinalan o Decreto de Plurilingüismo da Xunta de Galiza como principal responsábel. A súa lectura, crítica coas políticas actuais e coa situación do galego nos medios abre, con todo, unha xanela á esperanza. O semanario xa está dispoñíbel na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques. En Opinión, as plumas de Luz Darriba e Mercedes Queixas, xunto ao cadriño da man de Tokio. Xoán Costa publica unha nova entrega da súa sección semanal A ollo nu. A protagonista de Sociedade esta semana é a maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago, Ana López Suevos, que analiza o aumento e tipoloxía de delitos sexuais acometidos na actualidade. Suevos alerta de que moitos son cometidos por homes novos e demanda a actualización da investigación dos delitos. Ademais compartimos con vós os primeiros pasos da nova redacción de Nós Diario. En Economía conversamos con Vincent Cucarella, especialista en financiamento autonómico e autor de Economía por un futuro sustentábel. En Política analizamos os asuntos que ficaron á espera dunha nova lexislatura, como o traspase da AP-9. Unha lectura da campaña coa vista posta nos comicios galegos pecha a sección. En Internacional retrocedemos ao 1 de outubro en Catatalunya hai dous anos e analizamos a situación actual da política catalá. O Fóra de Serie arranca o curso literario facendo revisión do traballado con autoras, editoras e críticas. Continuamos cunha entrevista a Anxo Quintela, rostro icónico da TVG e gañador do Premio Nacional de Xornalismo Cultural 2019. Séguena as críticas semanais de cinema e literatura, ademais dun paseo pola Costa da Morte de Cee, dende a praia do Rostro a Lires. Rematamos co selfie, co rostro de Celso Alberte Magariños. Esta semana asinan no Fóra de Serie Pepe Barro, César Morán, Carlos Penela e Iago Varela. O número 366 de Sermos Galiza xa está dispoñíbel na loxa e nos quiosques.
NOS_22558
Talvez Paciència se equivocase ao formular un corpo a corpo con Osasuna. A falta de fútbol e erros de concentración infantís condenaron á equipa coruñesa.
Paciência prioriza a seguranza defensiva á criación de xogo. No El Sadar non houbo nen unha cousa nen a outra. Juan Domínguez, nin convocado. Valerón só dispuxo dun cuarto de hora. Un erro de apreciación nun off side por parte do árbitro e a inocencia colexial dos branco azuis á hora de defender un libre indirecto bastaron para o Deportivo ficar cun 2-0 en contra (1-0, m. 25, Kike Sola; 2-0, m. 61: Nino) con media hora de xogo aínda por diante, demasiada renda en contra para remontar tendo en conta a falta de produción ofensiva do combo galego. Contodo, no tramo final do encontro o Deportivo abeirou a remontada. Mágoa que Nelson Oliveira estexa moi lonxe de ser un killer da área. Desbaldiu dúas oportunidades clarísimas, o tipo de xogadas que retratan a un futbolista. Oliveira non estivo nelas á altura do que di o seu currículo como internacional por Portugal. O mellor para o Deportivo, o gol agónico de Camuñas (2-1, m. 92), que coloca o average co Osasuna a favor da equipa galega (2-0 en Riazor, 2-1 no El Sadar). Se callar ese gol poda valer ao final do campionato a permanencia.
QUEPASA_1070
A nosa embaixadora en Frankfurt Alejandra Plaza está vivindo en primeira persoa a desfeita que produciron os temporais en Alemaña. Sen tempo a pensar, xa se puxo a colaborar en tarefas de voluntariado, axudando a carrexar material necesario para as familias máis afectadas. Ademais, tiña pensado vir a Galicia este mes de agosto, pero non pode porque España está considerada por Alemaña de Alto Risco, e tería que facer corentena medias vacacións… Dende o corazón do desastre, cóntanos como está a situación.
As inundacións da morte A devastación de dimensión histórica das riadas que están sufrindo Bélgica, Holanda, Suiza e Alemaña advirten que o cambio climático chegou a Europa e para quedarse. Un panorama devastador para un país como é Alemaña, afeito loitar contra os desbordamentos dos seus ríos pero superado por esta urxencia climática. Ao redor de 183 falecidos (por agora), un millar de desaparecidos e danos materiais incalculables son o balance deste fatídico temporal. O colapso nas liñas telefónicas, nas estradas, dos preto de 600km de vías férreas afectadas poden estar detrás de moitas destas desaparicións. Máis de 10.000 persoas entre bombeiros, militares, persoal sanitario e voluntarios, desprazáronse aos estados de Renania do Norte Westfalia e Renania Palatinado para axudar nos traballos de rescate e recuperación das zonas afectadas. Aldeas sepultadas, pobos anegados ou incomunicados, milleiros de persoas evacuadas son as consecuencias destas riadas de magnitude histórica que avivan o debate político sobre a toma de medidas ambientais, xusto dous meses antes da celebración dos comicios electorais en Alemaña que, seguramente queden marcados por esta catástrofe ambiental e tralos cales Angela Merkel deixará o seu cargo. Unha semana máis tarde, Alemaña segue afrontando unha traxedia ambiental e humanitaria tremenda e aclama á unidade nacional e á solidariedade. As augas retíranse, novas vítimas son localizadas e o panorama é desolador e deixa á vista uns danos materiais incalculables e ata irrecuperables. A xente traballa sen descanso e a solidariedade da xente non ten límites. Desde o mércores hai uns paquetes de axudas aprobadas polo goberno para os damnificados que, na maioría dos casos, perdérono todo. Pídese axuda, principalmente man de obra pero tamén, roupa, produtos de hixiene, botas de goma, comida... Moitas historias que contar detrás de cada mirada, de cada xesto... Uns odian as cámaras, outros queren ser escoitados. Unha mestura de sentimentos atopados e unha loita interna e externa para afrontar unha situación destas características. O maletero do meu coche viaxou cheo de mantas, toallas, roupas de cama, zapatos, botas, roupa... Toda axuda é ben recibida nas zonas afectadas… Tanto que podería contar que, en ocasións, o silencio dio todo…
PRAZA_17226
O sindicato policial UFP volve ameazar con "accións legais" ao Colectivo Republicano e agora tamén ao Bloque se considera que a mostra "incita ao odio"
No outono de 2017 o Colectivo Republicano de Redondela inaugurou no Multiusos da Xunqueira unha exposición titulada Criminalización do pensamento con fotografías de diversas actuacións de unidades antidisturbios na historia da vila -caso de protestas laborais nos anos 80 do século pasado- e noutros puntos do Estado. Sobre unha das cargas o colectivo agregaba unha reflexión: "Isto pasaba no 1987 en Redondela; estamos no 2017 e seguen a mallar en nós, que está pasando?". Dous días despois da inauguración da mostra no devandito recinto municipal o Concello redondelán retirábaa sen previo aviso. A razón, as queixas dun sindicato policial que agora volve ameazar a plataforma republicana tras volver abrir a exposición na sede local do BNG. Para o Bloque de Redondela o "responsable directo" de "auspiciar este clima de medo e coaccións" foi o alcalde, Javier Bas (PP), a quen atribúen unha situación na que "o silencio é cómplice". Por iso, explican, a formación soberanista cedeu o seu local para exposición, reinaugurada este martes no seu novo emprazamento. O Colectivo Republicano padeceu "un atentado á liberdade de expresión", resaltou durante o acto o seu secretario, Marcos Lareira, toda vez que a instalación "non foi retirada, foi secuestrada con nocturnidade e aleivosía, ás once e media da noite" e sen aviso previo para atender as directrices de quen "seguen pensando que son os xefes de Redondela e de España". O colectivo agradece a "valentía" do BNG, representado no acto polo edil Xoán Carlos González e mais polo deputado Luís Bará. A exposición, advertiu Bará, foi "censurada e requisada polo goberno municipal" para atender "ordes nin sequera da policía, senón dun sindicato policial" nunha actuación "propia dos tempos da ditadura" baixo ameaza de botar man da "utilización abusiva do delito de incitación ao odio, que vale para todo". As referencias ás "malleiras" que incomodaron a organización policial non son máis ca "constatar un feito" e por ese motivo, asegura o paralmentario, "non nos van amedrentar; o BNG sempre estará na defensa das liberdades e de Galiza". O sindicato policial UFP volve ameazar con "accións legais" ao Colectivo Republicano e agora tamén ao BNG se considera que a mostra "incita ao odio" Aínda que o Concello xa non pode impedir que a mostra do Colectivo Republicano poida ser visitada, sobre esta entidade e sobre o propio Bloque si que pairan outras advertencias de posibles denuncias por parte do mesmo sindicato, a Unión Federal de Policía. "Unha vez máis, coa escusa da liberdade de expresión vólvese cargar contra o colectivo policial", reprochan, porque "algúns cren que a liberdade de expresión é unha carta branca para facer o que queiran". "O BNG -acusan- fiel á súa obsesión con todo o que sexa ir contra as forzas e corpos de seguridade do Estado" non deixa "escapar a ocasión de volver apoiar calquera ataque contra o colectivo policial", ataques dos que achegan "sobrados exemplos" como unha "actuación de Soziedad Alkoholika en Pontevedra". "Estaremos moi atentos ao contido da reposición desta exposición e no caso de que incite ao odio ou sexa constitutivo de ilícito penal, comunicarémolo á oficina nacional de loita contra os delitos de odio" e "iniciaremos as accións legais que en dereito correspondan", ameazan.
QUEPASA_90
6 concellos acaparan as 10 Bandeiras Azuis da Costa da Morte.
Ata Laxe desprazáronse representantes da ADEAC, da Xunta e de 14 concellos da provincia da Coruña para facer a entrega das Bandeiras Azuis que van ondear nas praias neste verán de 2020. Son 10 os selos de calidade os que conseguiron 6 concellos da noza comarca, e que durante o día de hoxe comezarán a lucir na entrada dos areais. O de Laxe xa ondea, despois das polémicas dos anos pasados, de xeito que os usuarios e visitantes "saben que están a gozar dun areal cunha excelente calidade das augas, con seguridade e servizos, accesible para todos e nos que rexe unha atinada xestión ambiental e a sustentabilidade". Sandra Insua e José Manuel Pequeño Representantes municipais de toda a provincia onte en Laxe Control de praias Polo de agora só cidades como A Coruña veñen de instalar semáforos para controlar o aforo, os concellos da comarca aínda non comezaron coas medidas. Nese sentido, Vázquez Mejuto avanzou que a partir do 1 de xullo o seu departamento porá a disposición de todos os concellos o visor de praias do Instituto de Estudos do Territorio (IET), unha ferramenta que pode resultar de utilidade a nivel municipal xa que inclúe datos sobre os metros cadrados de cada areal, o estado das mareas e ata a localización de todas as bandeiras azuis concedidas pola ADEAC en Galicia en 2020. Centros e sendeiros A Cita tamén serviu para feliciitar aos concellos da Laracha e Camariñas, os únicos xunto a Oleiros e Boiro que teén un Centro Azul. O alcalde de Laracha recibindo o distintivo polo Centro Azul dos Muíños de Golmar
NOS_58244
Diversos grupos sociais e culturais composteláns organizan un roteiro artístico a prol das rúas como espazo público
Dende a aprobación da ordenanza municipal que limita o uso público da rúa, sucédense as respostas cidadás na súa defensa. Diversas entidades sociais e culturais da cidade de Santiago organizan esta sexta, un roteiro artístico con actuacións musicais, de danza e outras artes a partir das 19.00h. O percorrido comezará na Praza do Toural e o seu obxectivo é facer notar a importancia do espazo público no desenvolvemento cultural e social da cidade compostelá.
NOS_57014
O nosso colaborador Carlos Morais entrevistou na Havana o Comandante Iván Márquez, chefe da Delegação de Paz das FARC-EP e membro do Secretariado da organização guerrilheira comunista colombiana. A conversa decorreu o 5 de maio de 2015. Na capital cubana as FARC negoceiam com o Governo colombiano o fim do conflito armado. A entrevista vai aparecer no número 149 de Sermos Galiza, a sair do prelo esta quinta feira. Publicamos aqui um avanço da conversa
Nos últimos anos tivestes em mente a possibilidade de estar negociando com o governo colombiano um processo de paz, que todo aponta como o mais sério, no que mais tempo investistes de todos os desenvolvidos. Nós quando surgimos, surgimos sempre pensando na paz. Temos feito esforços continuados por chegar a uma solução política deste conflito desde 1964. Acumulamos 30 anos de procura da paz, se temos em conta que realizámos os diálogos de Caracas, logo em Tlaxcala, em São Vicente do Caguán, e agora este esforço que estamos realizando em Havana. Este processo já tem logrado plasmar no papel alguns acordos que consideramos importantes para aproximar-nos de este objetivo que seria o acordo final. Qual é o balanço atual, quando se acaba de fechar a rolda 35 das negociações? Temos logrado três acordos parciais. O primeiro por volta do assunto das terras. Parciais porque há ainda dissensos, guardados num refrigerador para retomá-los mais adiante. O segundo acordo parcial refere-se ao alargamento da democracia, logo denominado participação política. E o terceiro assunto está vinculado à solução ao problema das drogas de uso ilícito. Hoje estamos falando de vítimas e estamos avançando nesta temática após escutar representantes das vítimas. Estamos a analisar um assunto crucial, o fim do conflito, ponto três da agenda, criando umha comissão técnica que tenciona identificar e aproximar visões à volta de temas fundamentais como são o cessamento bilateral de fogo e o abandono das armas. Fica pendente um ponto, o sexto, que é a referendação dos acordos, a implementação e verificação. Um dos pontos mais conflitivos é o cessamento unilateral do fogo. É lamentável que continuemos a matar-nos no meio duma negociação de paz. Desde que chegámos à Havana a nossa primeira proposta ao Governo foi pactuar já um cessamento bilateral do fogo que em primeiro lugar evite mais vítimas. Em segundo lugar, que arrodeie a mesa de conversações de um ambiente favorável para poder avançar. Uma trégua o que busca é humanizar um conflito, gerar um ambiente, uma atmósfera favorável para avançar na construção dos acordos. A íntegra desta conversa -uma dupla página- faz parte do número 149 do semanário Sermos Galiza, disponível esta quinta feira nos pontos de venda habituais e já na noite desta quarta feira na nossa loja.
NOS_6431
A CUP revelou que así llo garantiron desde o Govern da Generalitat. A deputada cupeira, Mireia Vehí, xustificou a falla de información pola necesaria "astucia" fronte as ameazas do Estado para impedir que o referendo se celebre.
"Hai censo e hai urnas". Dous dos elementos indipensábeis para a materialización do referendo independentista en Catalunya convocado para o próximo 1 de outubro –dentro de cincuenta días-- están asegurados. Así llo garantiu o Govern da Generalitat á Candidatura de Unitat Popular (CUP), segundo recoñeceu a deputada Mireia Vehí nunha entrevista radiofónica concedida na tarde deste sábado á RAC1. "Isto é o que nos fixeron chegar. Polo tanto, desde esta lóxica de confianza, nós crémolo", explicou Vehí. No entanto, a deputada cupeira non puido dar máis datos sobre a orixe e localización do censo e as urnas de votación. "Hai informacións que non se poden dar para non ensinar as cartas ao Estado. É unha estratexia de astucia de mínimos", xustificou. Alías, a deputada independentista anticipou que nos próximos días porase en marcha un sitio web para que funcionariado poida inscribirse voluntariamente para as labores de reconto das mesas. Unicamente persoal público estará facultado para participar da contabilización dos votos. As dificultades impostas polos poderes do Estado español para tentaren impedir a votación, podería provocar segundo Vehí que o do 1-O "non sexa un referendo normal e non se votará coma sempre".
NOS_51269
Tanto na entidade internacional como no país americano hai posturas moi difíciles de reconciliar sobre a intervención militar, todo isto após a petición dun Goberno haitiano cuxa lexitimidade está moi cuestionada.
"Todos os días rexístranse feitos lamentábeis: perda de vidas humanas, secuestros, destrución de bens públicos e privados, violacións, roubos, saqueos, ameazas e intimidacións", afirmou o ministro de Exteriores de Haití, Jean Victor Généus, durante a súa intervención na madrugada da segunda á terza feira no Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU), na que reiterou a petición do Executivo de que a institución envíe unha misión militar internacional para recuperar o control do país, que na actualidade se atopa de facto en mans das bandas armadas.En Haití, arredor de cinco millóns de persoas enfrontan unha situación de fame aguda, catro millóns de crianzas non poden asistir á escola pola violencia das bandas e mil haitianas e haitianos foron asasinados só no primeiro semestre do ano, ao que hai que engadir un gromo de cólera en expansión que xa provocou unha vintena de mortes. O estado límite ao que se enfronta o país está marcado pola consolidación territorial das bandas desde o asasinato do presidente Jovenel Moïse en xullo de 2021, chegando a controlar 70% da superficie do Estado, incluídas estradas e infraestruturas como a terminal petrolífera de Varreux, a máis importante do país. Isto derivou nunha escaseza de combustíbel que motivou unha caída dos servizos públicos, especialmente na capital, Porto Príncipe. "Os hospitais tiveron que fechar as súas portas, a auga potábel xa non pasa pola billa, o transporte público redúcese", abundou Généus, fixando a decisión gobernamental de acabar coas axudas aos combustíbeis como "unha das causas da turbulencia política que sacudiu o país". Porén, as dúas últimas segundas feiras milleiros de persoas saíron á rúa da capital e outras cidades do país para manifestarse en contra da intervención militar, convocadas por varias organizacións sociais encabezadas pola plataforma progresista Pitit Desalin. Nestas marchas, a represión da Policía provocou unha morte e múltiples feridos de bala. Un dos manifestantes explicou a AFP que "é certo que precisamos axuda para desenvolver o noso país, mais non tropas", diferenciando a problemática das bandas das protestas en contra da acción do Goberno; entrementres, outros dos participantes apuntou a Le Nouvelliste que "os Estados Unidos (EUA) teñen a súa parte de responsabilidade pola inseguridade que asola Haití". O líder da plataforma, Moïse Jean Charles, reclamou a dimisión do primeiro ministro Ariel Henry, cualificándoo como non lexítimo, e pediu á poboación que se dirixa ás residencias persoais dos membros do Goberno entre chamados á violencia. Sen institucións Estes movementos reiteran a problemática que supón o paulatino colapso das institucións no país, cun sistema político desfeito e sen perspectivas de saída a pesar das promesas de Henry dunha convocatoria electoral próxima, máis de medio ano despois do final do teórico mandato presidencial. Porén, foi Moïse quen bloqueou as eleccións lexislativas, o que lle permitiu gobernar por decreto desde comezos de 2020 ao non ser renovada a Cámara de Deputados nin dous terzos do Senado. De feito, nove dos dez senadores que quedan pediron anular a solicitude de intervención militar. Os Estados Unidos defenden a intervención No Consello de Seguridade da ONU o debate centrouse en dúas propostas presentadas e defendidas polos EUA e México, con sancións para os líderes das bandas armadas e "unha misión [militar] limitada, de alcance coidadoso e non pertencente á ONU" dirixida por un Estado con experiencia neste tipo de operacións, debullou Washington. A negativa máis contundente -non se produciu votación- viu da man da China e Rusia. O representante chinés preguntouse se a misión militar non acabará por "enfrontarse á resistencia e incluso detonará unha confrontación violenta coa poboación", tendo en conta que o Executivo de Haití "carece de lexitimidade e é incapaz de gobernar"; ao tempo, o representante ruso definiu a proposta como "inxerencia externa" para supeditar Haití aos EUA.
NOS_50341
O director xeral da compañía afirma que recorrerá a decisión xudicial.
A Comisión parlamentar de control da Corporación Radio Televisión da Galiza (CRTVG) acolleu esta sexta feira un debate sobre a anulación pola xustiza dunha sanción da compañía a un traballador, Carlos Jiménez, polo que compañeiros do emprego e colectivos Defeebde a galega cualificaron como "represalia" por participar nos Venres Negros. Un Xulgado de Compostela anulaba en decembro a sanción de suspensión de emprego e soldo por nove días que a Corporación Radio Televisión da Galiza (CRTVG) impuxera en 2019 ao locutor Carlos Jiménez. A empresa acusábao de incorrer nunha incompatibilidade laboral que o xulgado non apreciou. A sentenza, aliás, apuntaba a que a sanción fora unha "resposta" á participación do traballador nas mobilizacións de Defende a Galega e mais aos diversos xuízos que gañara á CRTVG no eido laboral. Mais esta sexta feira, Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da Compañía, defendeu na comisión a sanción imposta ao traballador, indicando que esta respondía a unha cuestión estritamente "laboral", negaba que a decisión da empresa respondese a unha intención "represiva" e confirmaba que CRTVG recorría esa sentenza. Mais as explicacións de Sánchez Izquierdo non convencían á oposición. Tanto BNG como PSdG cuestionaron o proceder da compañía. Dimisión O BNG esixiu no Parlamento galego a través da deputada Alexandra Fernández a dimisión do director xeral pola sentenza xudicial do Xulgado do Social de Compostela. "As actuacións tomadas pola dirección, que son un feito probado, denigran a imaxe e a credibilidade da Corporación; vai vostede a dimitir do seu cargo para que a CRTVG e a súa imaxe se salvagarden"?, cuestionou a parlamentar nacionalista dirixíndose a Sánchez Izquierdo . Logo de recriminarlle que defendendo posicións que acaban de ser censuradas pola xustiza, a deputada nacionalista reclamou a retirada do recurso presentado polo ente público contra a sentenza. Pola súa parte, a deputada socialista Noa Díaz afirmou que "esta sentenza é o triunfo da loita contra a manipulación informativa" no ente público. Criticou, ademais, as "políticas de manipulación informativa, que vostedes non paran de negar". Díaz lamentou que as traballadoras e traballadores da CRTVG teñan que recorrer "continuamente" aos xulgados para "garantir" os seus dereitos fundamentais.
NOS_9496
Ningún é alerta 2, isto é, ningún ten perigo para as persoas nen para as vivendas.
As chuvias das últimas horas están a contribuír para apagar os lumes desta vaga sen precedentes. Dos 132 que houbo activos ao mesmo tempo nalgún momento da pasada fin de semana só fican en curso neste momento un total de 16, ningún deles perigoso para a vida humana. Mentres se sufocan as últimas lapas, continuamos sen coñecer o dado de cantas hectáreas foron atinxidas. Na súa comparecencia de onte no Parlamento, a conselleira, Ángeles Vázquez, ocultou a cifra e limitouse a consignar que estes días ardera tanto territorio como todo o que levamos de 2017 xunto. A SER na Galiza avanzou como hipótese a de que arderon por volta de 20.000 hectáreas. Para facérmonos unha idea do que supón ese dado hai que ter en conta que o PLADIGA -o plano de prevención e extinción dos lumes da Xunta- estabelecía como obxectivo para toda a temporada 15.000 hectáreas.
NOS_40566
A eurodeputada nacionalista Ana Miranda defende que Galiza debe partillar o horario de Portugal ou Irlanda e corrixir o desfase entre a hora oficial e a hora solar.
A eurodeputada do BNG Ana Miranda, presentará esta segunda feira á Comisión Europea unha iniciativa co obxectivo de que Galiza teña o mesmo fuso que Portugal, Irlanda ou Canarias, tendo en conta a diferencia de case unha hora entre Fisterra e Barcelona. Desta forma, indican os ncionalistas, trasladarase unha proposta galega á Comisión, após que esta aprobase suprimir mudanza horaria. A europarlamentar nacionalista lembra que esta proposta xa foi presentada polo BNG no Congreso español sendo deputado Francisco Jorquera e a través dunha proposición non de lei. "Galiza é un dos países do mundo con maior desfase entre a hora oficial e a denominada hora solar. Galiza xeograficamente está no fuso GMT-1, máis a hora oficial é a GMT+1 e no verán as zonas máis occidentais de Galiza chegan a ter unha diferenza de dúas horas e media a respecto da hora solar". Ana Miranda defende que o feito de que Galiza se axuste o fuso horario e se corrixa ese desfase tería "innegables beneficios para a saúde e laborais", fronte ao horario actual. De por parte, o goberno español anunciou que estudará cambiar o fuso horario do Estado español de saír adiante a proposta da Comisión Europea de suprimir a mudanza horaria na UE. Unha proposta que aínda deberá aprobar o Parlamento e o Consello Europeo.
NOS_53533
O cartaz complétano Oliba Gorriak e Malas Herbas nuns concertos que terán lugar no aparcadoiro da Facultade de Química.
A organización xuvenil, Briga, desenvolverá máis un ano a Xornada de Rebelión Xuvenil que desde hai 11 anos ten lugar con motivo do Día da Patria Galega. Nesta ocasión, o cartaz do festival compóñeno as bandas galegas Nao, Ulträqäns e Malas Herbas xunto coa basca Oliba Gorriak. Será o 24 de xullo no aparcadoiro da Facultade de enxeñaría química. Unha localización que tiveron que mudar após o desencontro con Compromiso por Galicia. A formación galeguista rexeitou partillar o Parque de Belvís con Briga, embora este espazo non ser utilizado por organización galeguista na noite do 24. Unha actitude que desde a organización independentista tildaron de "cínica insolidariedade". "Briga tentou favorecer un acordo ofrecendo ocupar só unha parte do parque e mesmo asinando un contrato no que asumiríamos responsabilidades perante calquer problema que puidesen sofrer durante os concertos as instalacións para os atos de CxG do día seguinte", explican nun comunicado de imprensa. Porén, Compromiso non aceptou. Así as cousas, Briga desenvolverá finalmente a actividade no Campus Sur da USC a partir das 23h.
NOS_7270
O 26 de maio, ao mesmo tempo que se renova a composición das corporacións, a cidadanía escolle os gobernos das catro deputacións galegas. Achegamos, nesta ocasión, un percorrido á vista de paxaro polos diferentes escenarios de confronto para a conformación dunhas institucións que teñen xogado un papel decisivo no ecosistema político.
O goberno da Deputación da Coruña está no aire. Malia a actual composición da corporación provincial, que deixou o PP moi lonxe da maioría ao sumar só trece deputados fronte aos oito do PSOE, os cinco do BNG, os tres da Marea Atlántica e os únicos representante de Compostela Aberta e de Alternativa dos Veciños, o caprichoso xogo de forzas dos partidos xudiciais deixa aberta a porta a calquera escenario. Se ben as sondaxes internas manexadas por populares e socialistas decántanse nos últimos meses por un goberno alternativo ao PP, dado que este partido non suma a maioría necesaria e fica moi perto da súa actual representación, fontes das organizacións políticas que fan parte actualmente do executivo provincial non teñen claro o resultado. As dúbidas xorden fundamentalmente polas dificultades para calibrar o impacto de Vox e Ciudadanos nas áreas de Compostela, Ferrol e A Coruña e analizar se os seus resultados se concretarían en actas provinciais. Os principais movementos de escanos daríanse naqueles partidos xudiciais onde se elixen máis deputadas e deputados. Aínda así, non fican fóra do baile as circunscricións máis pequenas, comezando por Corcubión, onde nesta ocasión se escollerá un só representante –o que provocaría a perda dunha acta provincial para o BNG–, e tamén en Noia, onde é probábel a entrada dun socialista nun partido xudicial até agora repartido entre populares e nacionalistas. Mentres o PP dá por descontado un fracaso na Coruña e en Compostela, centrando as súas esperanzas en Ferrol, os socialistas agardan mellorar as súas posicións na totalidade das cidades, a conta das autodenominadas candidaturas de unidade popular que actualmente ostentan o goberno das mesmas. A outro tanto aspiran os nacionalistas, cuxa posición ficou moi debilitada no partido xudicial da Coruña en 2015, até o punto de perder o representante na deputación que nesta ocasión a práctica totalidade das enquisas dá por seguro. Lugo, unha composición semellante O PP pelexará por recuperar a Deputación de Lugo. A maioría dos prognósticos auguran a repetición dunha composición semellante na corporación provincial, mais os dirixentes do PP aspiran a recuperar ese deputado que os separou na actual lexislatura da maioría absoluta. O aparato dos populares aférrase, para que lle saian as contas, a abrir a porta a unha baixada dos socialistas na cidade das murallas e a un aumento da representación no partido xudicial da Ulloa, como consecuencia do retorno ao partido do actual alcalde de Chantada, Manuel Varela, que gobernou esa vila nos últimos catro anos con maioría absoluta. As posibilidades dese xiro na Ulloa semellan moi complicadas, xa que obrigaría o PP ao aumentar nun terzo a súa porcentaxe de voto, ampliando a súa votación en máis de tres mil sufraxios. Outro tanto acontece en Lugo, onde os populares retiveron o seu último deputado por só unhas ducias de votos, en dura competencia con Lugonovo, sendo moi probábel que o PP sexa un dos grandes damnificados da noite electoral na cidade. As pobres expectativas do PP teñen provocado varios movementos internos. O máis relevante , a renuncia do delegado da Xunta de Galiza en Lugo, Xosé Manuel Balseiro, a competir pola presidencia da deputación, deixándolle o camiño aberto a súa noutrora protexida Elena Candia. O PSOE, que xa designou como candidato a dirixir a corporación provincial o actual presidente Darío Campos, aspira a sumar co BNG, consciente do deterioro sufrido na súa imaxe como consecuencia da xestión destes últimos catro anos e do conflito aberto con Manuel Martínez. Os nacionalistas agardan aumentar a súa representación polo partido xudicial de Lugo, favorecidos pola suba que lles outorgan a totalidade das enquisas na cidade. Non se agardan mudanzas naqueles partidos xudiciais dun ou dous deputados, como na Fonsagrada, Vilalba, Monforte e Chantada, onde os populares suman actualmente tres deputados e os socialistas catro. Descartada a entrada na corporación provincial de Lugonovo, ACE e Podemos, que concorren pos separado na cidade, está por ver as posibilidades de Ciudadanos, encabezada de novo pola súa portavoz na Galiza Olga Louzao. [Podes ler a análise íntegra no número 345 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_35031
Nova acción das brigadas: 26 de maio, tombar acacias en Cenlle.
No Ribeiro a proliferación da acacia debido aos incendios e abandono convirteuse nun problema de primeira magnitude. De aí que a actuación que vai realizar a recén constituída Brighada do Ribeiro das brigadas deseucaliptizadoras sexa o de eliminar pés de acacia na aldea de Lentille, no concello ourensán de Cenlle, tal e como explican desde a web de Verdegaia. Vai ser o 26 de maio e toma o relevo ao lanzamento público e primeira acción das brigadas, que foi o pasado 21 de abril en Froxán (Lousame). "A intervención centrarase nunha parcela de Lentille orixinalmente vinculada á igrexa e que leva en estado de abandono desde os anos 1970. Os actuais propietarios pretenden recuperar os valores naturais da mesma así como os canais e pozos de rego antigos, coa súa biodiversidade asociada", sinalan desde Verdegaia. Para participar nesta acción é imprescindíbel en primeiro lugar estar inscrito como Brigadista no proxecto, o que se pode facer na propia web, e ademais de indicar o compromiso expreso de acudir á convocatoria de 26 de maio mediante correo a [email protected] O límite de persoas participantes fíxase en 30 para facilitar os traballos de modo que se irán cubrindo por orde de inscrición. A data límite para apuntarse é o 20 de maio. As brigadas "teñen como obxectivo mobilizar, organizar e coordenar persoas de todo o País con vontade de realizar accións de voluntariado ambiental en colaboración coas titulares de terreos con valores ambientais degradados ou ameazados pola eucaliptización e outras especies exóticas invasoras", indican. Organízanse de xeito comarcal ou local, sumando grupos de persoas voluntarias baixo unha estratexia, metodoloxía e coordenación común. Cada intervención no territorio é rexistrada nun visor xeográfico que permite o seu seguemento público e cuantificación a longo prazo do impacto do proxecto.
QUEPASA_136
Unha aldea de 60 casas de Santa Comba leva dende o 19 de decembro sen teléfono nin internet
O día a día na aldea da Illa, na parroquia xalleira de Freixeiro, adoita ser tan tranquila como complicada. Situada nun profundo val, a apenas 7 km da capital municipal, Santa Comba, (e a 30 da capital de Galicia), ten graves problemas de comunicación. A cobertura do móbil é un ben escaso (teñen que coller o coche para facer unha chamada); non ven a TVG dende a última resintonización, e cando se conectan a algunha das plataformas tecnolóxicas para ver a televisión por internet teñen que apagar o whastapp dos seus teléfonos… "Como se muxía antes, por turnos", bromea Mari Carmen García, veciña dunha das 60 casas do lugar. "Con estas carencias máis ou menos imos vivindo, pero é dende a tormenta do pasado día 19 estamos sen teléfono nin internet", explica indignada. "Eu por exemplo, para revisar o correo ou o whastapp teño que saír, ir ao cumio da vila, responder e volver", explica. Mari Carmen explica ademais a situación real para moit@s veciñ@s, "persoas maiores, moitas delas soas, e algunha conta co servizo de teleasistencia que evidentemente non funciona. De feito", conta, "un día da semana pasada deulle un mal a un veciño e os seus familiares tiveron que saír de casa, e subir a un alto para ter suficente cobertura mesmo para chamar ao 112"… Todo coincide ademais nestas datas nas que todos queremos falar cos familiares cos que non podemos estar. "O día de Noiteboa e de Nadal, estivemos totalmente incomunicados", lamenta, explicando que ás veces consegue "unha raia de cobertura tendo o teléfono moi quietiño nunha fiestra do faiado"… Levan xa ducias de chamadas a Movistar. "Primeiramente saen xente do outro lado do Atlántico que non poden saber que é o que pasa aquí. Despois consegues falar cunha persoa de aquí, que parece que che entende, e ata che dá a razón, pero que non fan nada para solucionalo". "E logo escoitamos aos políticos falar de que queren recuperar o rural, cando non teñen a máis mínima intención de coidalo, porque unha cousa así non se daría nunha cidade na vida", sentenza para describir o seu sentir ante esta "situación tercermundista".
NOS_42251
Após máis de 30 anos de maioría absoluta do PSdeG, os pactos decidirán o novo goberno local de Catoira. O BNG estuda a posibilidade de presentarse á alcaldía mais coas premisas de nin negociar nin pactar co PP e tampouco permitir que este chegue ao goberno. O Partido Popular non se rende e continúa querendo o bastón de mando.
No concello de Catoira durante máis de 30 anos gobernou o PSdeG sen interrupcións á vista até que o pasado domingo perdeu a maioría absoluta baixando de 7 a 5 actas. O PP medrou de 1 a 3 e o BNG mantivo as súas 3 que xa tiña. Os pactos decidirán agora quen gobernará en Catoira. No PP queren optar á alcaldía como sexa, incluso pactando co BNG, algo que o Bloque descarta por completo baixo o compromiso de impedir gobernos da dereita en toda Galiza. O Bloque impedirá gobernos da dereita en toda Galiza O que si estuda o BNG local de Catoira é a viabilidade da presentar candidatura á alcaldía, após tres décadas de gobernos do PSdeG. De todas formas, desde o Bloque Nacionalista Galego remarcan en que non houbo ningún contacto co PP, non se vai negociar co PP e non van facer ningunha acción que poda propiciar que haxa alcaldía do Partido Popular. Xan Castaño, quen encabezou a candidatura do BNG en Catoira, valora a política do alcalde do PSdeG de caciquil Xan Castaño, quen encabezou a candidatura do BNG en Catoira, valora a política do alcalde do PSdeG de caciquil e favorecedora de portas xiratorias, que chegou "ao extremos" de resultar un edil do seu grupo como funcionario "definitivo" no último concurso oposición "denunciado" polas persoas que se presentaron. Ademais, Castaño remarcou que a débeda municipal pasou de máis de catro millóns a superar os oito millóns de euros coa alcaldía actual. Estes son algúns dos motivos que levan ao BNG a formularse presentar candidatura propia á alcaldía. Mentres, o candidato do Partido Popular asegurou aos medios que a súa lista e a nacionalista coinciden en que Catoira votou por un cambio, mais o BNG asegura que non vai permitir que ese cambio implique o PP no goberno ou pactos coa dereita española. De feito, a formación nacionalista remarcou tanto hoxe, por medio do membro da executiva nacional do BNG Rubén Cela, como o propio órgano executivo nun comunicado na cuarta feira, que o BNG avaliará "caso a caso" cada localidade e cada posibilidade de pacto, sendo a militancia a través das asembleas locais quen sexa clave nas decisión. "Calquera acordo formularase en base a criterios programáticos que permitian "dar á veciñanza gobernos transformadores, en clave de país", recolle o comunicado da executiva Engadiron ademais que, en todo caso, calquera acordo formularase en base a criterios programáticos que permitian "dar á veciñanza gobernos transformadores, en clave de país, que aposten por un modelo municipal no que se teñan en conta cuestións como a mobilidade, a sustentabilidade, as políticas sociais e de igualdade, a defensa da economía local e de proximidade ou o apoio a lingua e a cultura do país".
NOS_35011
Declarou durante tres horas diante de Pilar de Lara e deu resposta a todas as preguntas que se lle formularon. O seu avogado afirma que o alcalde socialista está "ben pero canso". Fican á espera da decisión da xuíza que nestes momentos interroga a dous directivos de Vendex.
O alcalde de Ourense compareceu no xulgado de Lugo durante máis de tres horas. Foi interrogado pola xuíza instructora do caso "Pokemon", Pilar de Lara. Segundo reveleou o seu avogado, Rodríguez contestou todas as preguntas que lle formulou a xuíza. Arturo Fernández sinalou que o seu representado respostou "moi tranquilo e coherente" a todas as cuestións coas que a xuíza tenta determinar se o alcalde socialista está implicado nunha presunta trama de corrupción e subornos ligada ao grupo Vendex. Neste momento Francisco Rodríguez permanece no xulgado á espera de que a xuíza tome unha decisión sobre el. Agora declaran perante ela o xerente e o delegado de Vendex en Galiza e todo indica que tralos seus testemuños Pilar de Lara tomará a decisión de imputar ou non ao alcalde. O PSOE decidiu non emitir ningunha reacción até que se coñezan os cargos contra Rodríguez.
NOS_35289
Seguen os traballos de salvamento para atopar os catorce membros da tripulación que aínda están desaparecidos.
Salvamento Marítimo vén de informar que cando menos son sete os falecidos polo naufraxio do barco pesqueiro 'Vila de Pitanxo', que naufragou esta terza feira a 450 quilómetros da costa do Canadá, segundo informaron a Nós Diario fontes do sector e confirmou posteriormente a Central de Salvamento Marítimo, en Madrid, coa que tamén contactou este xornal a primeira hora desta terza feira. Nun primeiro momento, foron catro os tripulantes atopados sen vida polos servizos de rescate marítimo de Canadá. Mais, tristemente, esa cifra elévase agora até as sete vítimas mortais. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, confirmou en declaracións aos xornalistas o número de vítimas, así como o feito de que foron rescatados con vida outros tres mariñeiros nunha balsa salvavida. O presidente engadiu que as condicións do mar "son moi malas", pero que poderían estar a mellorar, segundo lle comentaron os fontes dos servizos de rescate do Goberno de Canadá e dos dous barcos pesqueiros galegos que se atopan agora mesmo a colaborar nos traballos de procura e salvamento da tripulación. Dispositivo de salvamento Os servizos de salvamento do Joint Rescue Coordination Centre Halifax (JRCC-Halifax, Canadá) despregaron un dispositivo aéreo e marítimo —coordinado polo Goberno do Canadá— para rescatar os sobreviventes. Segundo confirmou a subdelegada do Goberno estatal en Pontevedra, Maica Larriba, "saltou a baliza de que afundira o barco e até hai moi pouco tempo [compareceu contra as 13 horas] non tiñamos ningún tipo de información". "A situación nas augas de Terranova é moi mala", dixo, a respecto do caso deste buque, co que se perdeu o contacto contra as 5.30 horas desta madrugada. Trátase dun pesqueiro de 50 metros de eslora con base en Marín, pertencente ao Grupo Nores, e que partiu de Vigo hai 18 días. Larriba confirmou que no tráxico suceso houbo vítimas mortais, malia que non concretou as cifras. Polo de agora continúa o rescate dos mariñeiros desaparecidos. Posteriormente, a ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno do Estado, Isabel Rodríguez, confirmou que foron rescatados con vida tres tripulantes, con sinais de hipotermia, grazas ao buque 'Praia Menduíña', mentres continúa a busca do resto da tripulación. Hoxe o mar de Terranova rexistra unhas temperaturas de entre -1,8ºC e 2,1ºC, o que dificulta os labores de rescate. Segundo informaron fontes gobernamentais, localizáronse tres das catro balsas salvavidas, das cales dúas estaban baleiras e na terceira viaxaban os tripulantes xa rescatados. Os servizos de salvamento seguen a buscar a cuarta balsa, cuxo paradeiro aínda se descoñece.
NOS_4434
As dúas últimas convocatorias de comicios galegos e vascos coincidiron na data. Feijóo sempre se amosou partidario de que coincidisen.
As eleccións vascas serán finalmente o 25 de setembro, unha das dúas datas que se barallaban como máis probabéis, a outra era o 2 de outubro, para que os vascos acudisen ás urnas. O lehendakari Iñigo Urkullu anunciou esta sexta feira que os comicios serían o 25. Defendeu que esa data era "a mellor para Euskadi". Na decisión pesou, segundo diversas fontes, a posibilidade dunhas probábeis terceiras eleccións no Estado español, un escenario que Urkullu querería que se afastase o máis posíbel dos comicios vascos. Nas dúas últimas convocatorias, 2009 e 2012, houbo coincidencia de data entre as eleccións vascas e galegas. Nas do 2009 foran un 1 de marzo e nas de 2012, o 21 de outubro. A pregunta do millón é se Núñez Feijóo convocará o 25 de setembro, para manter esa coincidencia, ou ben manterase en realizalas no mes de outubro, como deixou caer nas últimas semanas. Esta mesma sexta feira, 29, e antes da comparecencia de Urkullu, o propio Feijóo afirmou que ía falar "de inmediato" co lehendakari e apontaba que a ambos ous dous lles gostaría coincidir na data. Nesas declaracións tamén reiteraba que se mantiña no dito estes días, referíndose a outubro como o mes para as eleccións galegas. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou na mesa xornada que, independentemente da data vasca, os comicios galegos serían en outubro.
NOS_15068
O xuíz criticou duramente a denuncia, salientando que hai ausencia de probas e definíndoa como un "intento de criminalizar a actividade política".
A Xustiza de Brasil absolveu os ex presidentes Luiz Inácio Lula da Silva (2003-2011) e Dilma Rousseff (2011-2016), entre outros acusados, no caso coñecido como "quadrilha do Partido dos Traballadores (PT)", en que a Fiscalía os culpaba de formar unha organización criminal para financiar a formación política. O xuíz federal Marcus Vinicus Reis Bastos absolveu tamén Antonio Palocci, Guido Mantega e Joao Vaccari Neto. Palocci e Mantega foron ministros de Economía nos gobernos de Lula e Rousseff, mentres que Vaccari Neto foi o tesoureiro do PT. Segundo a denuncia que presentou en 2017 o ex procurador xeral da República Rodrigo Janot, os anteriormente citados traballaran de forma conxunta e coordinada para esquilmar os cofres da empresa semiestatal Petrobras. Na decisión, o xuíz Bastos critica duramente a denuncia, salientando que hai ausencia de probas e definíndoa como un "intento de criminalizar a actividade política". O pasado outubro, o Ministerio Público Federal xa pedira a absolución de todas e todos os implicados por considerar que non existían elementos que configurasen a suposta organización delituosa. Este é só un dos varios procesos por corrupción abertos contra dirixentes do PT . Lula da Silva está condenado a 12 anos polo caso do apartamento de Guarujá, mais foi posto en liberdade polo Tribunal Supremo ao considerar que ninguén pode estar preso até que esgote todos os recursos posíbeis. A semana pasada, tamén foi condenado ─condena non firme─ a 17 anos de cárcere no caso da leira de Atibaia.
PRAZA_9969
O líder do PSdeG apela á xente de esquerda e mesmo aos "moderados que algunha vez votaron ao PP e a Ciudadanos" para evitar que os ultras "dirixan o rumbo de España".
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, fixo este xoves "un chamamento a todas as galegas e galegos que non queren ver a Vox dirixindo o rumbo de España desde o goberno e marcando a axenda de PP e Ciudadanos" para que voten o PSOE e eviten así que os "retrocesos" da ultradereita. Nun acto con candidatas e candidatos galegos ao Congreso e ao Senado, xunto á presidenta do PSOE, Cristina Narbona, Caballero apelou "a todos os progresistas", aos que solicitou o voto nun domingo no que, dixo, a cidadanía xógase "moito". "Xogámonos o retroceso que supón un goberno tripartito da dereita coa ultradereita, fronte ao avance que supón o Partido Socialista e o goberno presidido por Pedro Sánchez", engadiu."Xogámonos o retroceso que supón un goberno tripartito da dereita coa ultradereita, fronte ao avance que supón o Partido Socialista e o goberno presidido por Pedro Sánchez"O líder dos socialistas galegos insistiu en reclamar unha "participación masiva de todos os que senten a esquerda e o progresismo" e de "todos os que queren defender Galicia desde posicións de esquerda e progresistas". Mesmo apelou aos "votantes moderados que nalgún momento votaron ao PP e a Ciudadanos crendo que ese voto era moderado ou de centro". Narbona, pola súa banda, insistiu en sinalar a Vox e lembrou medidas impulsadas polo partido ultra no goberno de Andalucía, malia non formar parte del. Ademais, chamou á "mobilización de todos os demócratas para evitar a eventualidade de que se produza no noso país unha involución a causa do peso dun partido de ultradereita".Ademais da xuntanza en Santiago, Cristina Narbona e Gonzalo Caballero estiveron tamén en Lugo, onde reiteraron as súas chamadas ao voto "de todos os demócratas" ao Partido Socialista. "Pódese dar a nivel nacional a mesma situación que en Andalucía, que sexa a extrema dereita a que marque as directrices das políticas aínda que non estea no goberno", advertiron. O PSdeG pechará a campaña este venres en Ourense, unha circunscrición clave segundo as enquisas porque nesa provincia opta a conseguir o segundo escano.
PRAZA_11611
'Os tempos e o clima de Galicia' (Xerais) debulla de forma didáctica os elementos máis importantes da meteoroloxía. Falamos cun dos seus autores, que destaca a "diversidade climática" que posúe Galicia e alerta de que "se non facemos algo xa, o incremento das temperaturas vai ser aínda moito máis rápido e perigoso"
Pasamos todo o día falando do tempo ("E mañá choverá?"). Nos ascensores, para para organizar a fin de semana ou para colgar a roupa. Pero canto sabemos sobre o tempo e o clima, sobre as súas variacións e fenómenos e sobre como predicilo? Os profesores de Xeografía Física da USC Alberto Martí e Dominic Royé, o meteorólogo Juan Taboada e o xornalista Xavier Fonseca publicaron hai uns meses o libro Os tempos e o clima de Galicia (Xerais), unha obra de divulgación científica que debulla de forma didáctica e cunha linguaxe sinxela os elementos máis importantes da meteoroloxía.A obra, acompañada por un abundante apoio visual (mapas, imaxes de satélite e de radar, gráficos, debuxos e fotografías) repasa algunhas curiosidades sobre o tempo que fai emn Galicia e sobre fenómenos que nos afectan de forma cotiá. No volume tamén se recollen os récord climáticos galegos, que nos permiten saber cal é o concello no que máis chove, onde fai máis sol, ou onde fixo máis frío dende que hai rexistros fiablesO libro fala tamén de cambio climático. O clima está a cambiar de forma acelerada; é un feito. Unha realidade que ademais xa estamos a percibir no noso día a día. Os primeiros días de calor cada vez se adiantan máis no ano, e de igual xeito os outonos cada vez son máis cálidos. As precipitacións son menores e, ademais, sofren alteracións máis extremas. No 2017 Alberto Martí e Dominic Royé publicaron un traballo que explicaba como froa cambiando o clima de Santiago de Compostela nas últimas décadas. A comunidade científica estudou tamén os efectos futuros, que se manterán nas vindeiras décadas por mor das emisións de CO2 á atmosfera, e que debuxa un clima en Galicia moi distinto ao actual e con consecuencias moi negativas no litoral. Falamos con Alberto Martí, un dos autores do libro."Introducimos algunhas curiosidades sobre o tempo e o clima: dende por que a auga nas Rías Baixas está tan fría, por que cambia a cor do ceo ou por que é beneficioso o frío para as árbores froiteiras"Tradicionalmente sempre se mirou o ceo, a xente necesitaba saber que tempo ía facer para poder levar a cabo a súa actividade, no campo ou no mar. Había métodos tradicionais de observación e predición que foron superados polas técnicas científicas. Pero sabemos hoxe moito ou pouco sobre meteoroloxía? O tempo aféctanos a todos, falamos moito del, pero temos uns coñecementos mínimos?Efectivamente, é un dos temas sobre os que máis se fala. E ademais fala del todo o mundo, porque a todo o mundo lle afecta no seu día a día, dende a xente máis nova á xente de máis idade, que ademais foi acumulando loxicamente máis experiencia climática. Pero o certo é que hai bastante confusión, bastante descoñecemento neste tema, mesmo sobre algúns conceptos e termos que se repiten con frecuencia, e moitas veces de forma incorrecta.Refíreste por exemplo á diferenza entre tempo e clima?Si. O tempo é o estado da atmosfera nun momento e un lugar determinado; e o clima é un concepto moito máis estable e pódese definir como o conxunto de condicións atmosféricas habituais dun lugar nun longo período de tempo. Son dúas cousas completamente diferentes e a xente tende a confundilas moito e a empregar os dous termos de forma indistinta. E refírome tamén a xornalistas e medios de comunicación, que adoitan falar de 'climatoloxía adversa', cando deberían falar de 'tempo adverso' ou de que 'volve o clima invernal', cando o correcto é falar do 'tempo'."Xornalistas e medios de comunicación adoitan falar de 'climatoloxía adversa', cando deberían falar de 'tempo adverso'"O libro ten, nese senso, unha vontade de divulgación, de transmisión de coñecemento práctico, mesmo achegando moitas curiosidades sobre o tempo e o clima de Galicia. E dá a impresión de que podía ter incluído moitos máis temas. Dá para falar o asunto do tempo, non si?Si, queríamos desenvolver os contidos do libro dunha maneira sinxela, cunha linguaxe amena, con multitude de recursos didácticos -mapas, gráficos, fotos, recortes de prensa...- para facer máis comprensibles fenómenos atmosféricos que a xente coñece, porque os viviu. Queríamos que o libro fose accesible, pero sen perder rigor, cos métodos máis actuais e con fontes novidosas.A maior parte do índice está plantexado en forma de preguntas, temas cotiás sobre os que moita xente se preguntou algunha vez. E a continuación pasamos a contestalas unha por unha. E xa no remate do libro introducimos algunhas curiosidades sobre o tempo e o clima que pensamos que sempre están aí no aire: dende por que a auga nas Rías Baixas está tan fría, por que cambia a cor do ceo, por que é beneficioso o frío para as árbores froiteiras ou se o vento pode provocar transtornos psíquicos nas persoas."Ás veces preséntase Galicia como se tivese unha homoxeneidade climática, sobre todo cando se amosa un mapa estatal. Pero Galicia é un país cunha gran cantidade de matices e contrastes climáticos"Galicia, pola súa orografía e a súa situación, no balcón do Atlántico, ten un clima variado e, ademais, un tempo cambiante. Estamos nun lugar interesante para estudo da meteoroloxía e a climatoloxía?Si, esta quizais é unha das cuestións que máis chama a atención no libro e que puidemos amosar de forma máis clara, grazas aos mapas que publicamos. Ás veces preséntase Galicia como se tivese unha homoxeneidade climática, sobre todo cando se amosa un mapa estatal, que se limita a sinalar que o noroeste ten 'clima oceánico'. Pero a realidade é que hai unha gran diversidade interna, entre a costa e o interior, entre a Mariña lucense e as Rías Baixas, entre a Terra Chá e Ourense. Galicia é un país cunha gran cantidade de matices e contrastes climáticos e meteorolóxicos. Por exemplo, Verín conta cada ano con máis do dobre de horas de sol que Abadín. E, en cambio, Abadín ten o dobre de días de chuvia que Verín. E todo isto é debido a un relevo moi irregular e rico e ao feito de estar de cara ao Océano Atlántico, que ten unha grande influencia sobre o clima galego."Que o clima está cambiando é unha evidencia demostrada cientificamente, e ademais é algo que xa estamos sufrindo, non é unha ameaza futura"O libro inclúe os resultados dunha enquisa que realizastes hai un tempo, na que se preguntaba a 700 persoas en que tipo de clima preferían vivir. Cales foron os resultados?Nesa enquisa recollemos que á maior parte da poboación de Galicia lle gustaría ter un clima con veráns suaves, invernos tamén suaves, sen demasiado frío, con bastantes horas de sol, non demasiadas precipitacións... Despois, a través dun modelo elaboramos un mapa para ver as zonas de Galicia que cumpren en maior medida con esas preferencias subxectivas da xente, que coincidirían sobre todo co clima das Rías Baixas. Neste tipo de estudos resulta moitas veces curioso como moitas persoas din preferir un clima distinto ao que habitualmente teñen. En Canarias, por exemplo, o que máis se valoraba era a ausencia de vento, cando as illas son moi ventosas, pola presenza dos alisios. E en Andalucía o que se reclamaba era veráns frescos e máis días de chuvia."Se non facemos algo xa, o incremento das temperaturas vai ser aínda moito máis rápido e perigoso"O libro tamén trata, como non podía ser doutra forma, o cambio climático, do que estes días se está a falar aínda máis que nunca, por mor do Cumio de Madrid. O cambio climático é un feito demostrado, aínda que algúns sectores se neguen a aceptalo?Que o clima está cambiando é unha evidencia demostrada cientificamente, algo que temos tan claro como que a Terra é redonda. Está totalmente comprobado que o cambio climático é unha realidade, aí están os datos e as series estatísticas, e ademais é algo que xa estamos sufrindo, non é unha ameaza futura. O que máis nos chama a atención é que nos últimos anos o cambio do clima se está acelerando máis do que hai uns anos se podía esperar. Hai algunhas variables que nolo están indicando, sobre todo as relacionadas coas temperaturas, a frecuencia e intensidade das ondas de calor, o incremento dos chamados días de verán -aqueles días nos que se acadan ou se superan os 25 graos-, a súa aparición cada vez máis temperá na primavera e a súa permanencia ata cada vez máis tarde no outono, que cada vez é unha estación máis cálida. "Podemos facer unha previsión moi fiable de como será a situación dentro duns anos nun lugar concreto. Aí están e hai que facerlles caso, porque non son afirmacións de ciencia ficción senón baseadas en datos obxectivos"De aí a urxencia de actuar, que se está reclamando estes días no Cumio do Clima de Madrid, porque se non actuamos xa de forma decidida, a situación se nos vai escapar das mans. Despois será moito máis difícil de frear. Temos que ser conscientes de que aínda que eliminásemos agora as emisións o cambio climático continuaría, porque o CO2 que fomos acumulando seguiría na atmosfera durante moito tempo. Pero é que se non facemos algo xa, o incremento das temperaturas vai ser aínda moito máis rápido e perigoso.Podemos saber xa como vai ser o clima en Galicia dentro dun par de décadas se continúa a tendencia actual?Si, podemos facer unha previsión moi fiable de como será a situación dentro duns anos nun lugar concreto, de manterse as actuais tendencias. Son modelos complexos e bastante precisos, nos que levamos traballando dende hai décadas e que están cumprindo o que dicían hai tempo. Polo tanto, aí están esas previsións de que en 20, 30 ou 40 anos o clima de Santiago, sobre todo a súa temperatura, se parecerá ao que hoxe ten Ourense, e que o clima de Ourense se parecerá ao que hoxe ten Sevilla. Aí están e hai que facerlles caso, porque non son afirmacións de ciencia ficción, senón baseadas en traballos fiables e moi elaborados, en datos obxectivos.
NOS_16004
Facultades pechadas e baleiras, e mobilizacións nutridas e animadas no #24M convocado por organizacións sindicais e estudantíns como xornada de greve en defensa do ensino público.
Facultades pechadas e baleiras nos campus das universidades de Compostela, Vigo, A Coruña. Unha imaxe do amplo seguimento que, apontan xa fontes de sindicatos e organziacións, está a ter a greve convocada contra o decreto 3+2 e en defensa do ensino público. Ao tempo, milleiros de persoas saían ás rúas nas cidades galegas para se manifestar contra as políticas que conducen cara á privatización e mercatntilización do ensino público. En Vigo, Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra, as manifestacións exixiron a derrogación do decreto do 3+2 e apostaron nun modelo de ensino público e de calidade. Non foron só mobilizacións estudiantís, senón que a xornada de greve estaba apoiada por toda a comunidade universitaria: profesores e persoal de servizos, e tamén por cidadáns que querían denunciar as políticas contrarias a un ensino público. "Letal" Apenas un mes despois da greve estudantil que tivo lugar o 26 de febreiro, o conxunto da comunidade universitaria secundou unha xornada de paro contra o denominado 'decreto 3+2'. Desta volta, o conxunto da comunidade educativa chama á folga. "É unha medida letal para a universidade", sinalou de maneira taxativa o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, na comparecencia de imprensa en que foi anunciada a data da convocatoria. Organizacións sindicais, profesorado e estudantes coinciden en sinalar os prexuízos desta mudanza lexislativa pola que as titulacións académicas poderán pasar de catro a tres anos de grao e de un a dous os mestrados. A medida foi aprobada após seis anos da implantación do Plan Boloña --a adaptación do ensino superior ao Espazo europeo-- mediante o que se extinguiron as licenciaturas e diplomaturas en aras de titulacións únicas de 4 anos que virían a se completar co estudo de posgraos ou mestrados, quer oficiais, quer privados. Pagar máis pola mesma formación Desde os distintos axentes universitarios advirten das consecuencias que terá o novo marco regulador que, denuncian, pretende "afondar na privatización do ensino, desmantelar o sistema público e limitar o acceso ao ensino superior", sinalou Louzao. As críticas radican no encarecemento do custo dos estudos en boa medida polo prezo máis elevado que posúen as taxas dos mestrados e por se tratar estes dun nicho de negocio para a empresa privada. Perseguen, apuntan as organizacións convocantes da greve, "limitar o acceso ás clases populares" á universidade através da "súa mercantilización e privatización". O profesorado advirte que o decreto suporá a perda dun "25% da formación" para o estudantado Mais non só. As consecuencias irán para alén do encarecemento do ensino, advirtía a profesora da USC, Alba Nogueira, na reportaxe publicada no mes de febreiro no semanario en papel do Sermos Galiza. Neste senso, Nogueira sinala a perda dun "25% da súa formación por parte do estudantado" ao se reduciren un ano os títulos de Grao, o que aboca o estudantado a cursar mestrados para "adquirir o mesmo nivel de formación" que aquelas persoas que estudasen de acordo con plans anteriores. O 'decreto 3+2' implantarase, aliás, nun difícil momento para a universidade pública que nos últimos 5 anos perdeu 86 millóns de euros de orzamento como resultado da política de recortes desenvolvida pola Xunta de Galiza. Unha tesoira que pasou tamén polo cadro de persoal, reducido en 350 persoas para alén das máis dun milleiro que foron expulsas dos programas de investigación. No concreto 1.287 investigador@s. Para alén das organizacións sindicais (CIG, CCOO, UGT e CSIF) tamén as organizacións estudantís Comités, Liga, AGIR, Acción Universitaria e Sindicato de Estudantes apoiaron a convocatoria coa que ,din, defenden, "unha universidade pública e de calidade".
PRAZA_12655
Das películas rodadas entre o 2000 e o 2006, só o oito por cento foron dirixidas por mulleres. A representación feminina acadou un 20 por cento na montaxe, fronte ao 37 por cento na interpretación. Son algúns datos recollidos no estudo Cine y género en España, impulsado pola Asociación de Mulleres Cineastas e dos Medios Audiovisuais (CIMA). Tamén o Dicionario de Cine de Galicia 1896-2008' amosa un cativo número de nomes de mulleres realizadoras.
Das películas rodadas entre o 2000 e o 2006, só o oito por cento foron dirixidas por mulleres. A representación feminina acadou un 20 por cento na montaxe, fronte ao 37 por cento na interpretación. Son algúns datos recollidos no estudo Cine y género en España, impulsado pola Asociación de Mulleres Cineastas e dos Medios Audiovisuais (CIMA). Tamén o Dicionario de Cine de Galicia 1896-2008 amosa un cativo número de nomes de mulleres realizadoras. As profesionais do cine atópanse co mesmo teito de cristal que limita noutros sectores o acceso das mulleres aos postos de maior responsabilidade. No documental ou a na curtametraxe a presenza das mulleres na dirección é cada vez maior, mais a longametraxe de fición segue a ser un espazo case vedado para elas. "O que non podemos é resignarnos e deixar que só fagan cine os homes. O que hai que facer é iso, facer cousas, tirar para adiante", explica Sonia Méndez, unha das poucas cineastas galegas que alcanzaron a meta da longa. "O que hai que facer é iso, facer cousas, tirar para adiante", explica Sonia Méndez, unha das poucas cineastas galegas que alcanzaron a meta da longa Despois de proxectos coma Conversa cunha muller morta, Perversa Lola ou Leo e Mario (déixanse), esta realizadora de pouco máis de 30 anos debuta na longametraxe cunha comedia, Máximo, aínda en fase de produción. "É unha historia sobre o que un mozo fai para conseguir o que el considera triunfar na vida. Un relato sobre unha xeración", subliña. A serie para internet Angélica e Roberta, nominada para os Mestre Mateo, é outra das iniciativas nas que está a traballar. Méndez é tamén coñecida pola curta As damas negras, unha ficción dentro doutra fición con forma de thriller e certo ronsel, tamén, de comedia teatral."Falo bastante nas miñas películas de relacións de parella, é certo. Pero sempre con ironía e sentido do humor, rebaixando o pouso dramático que poden ter situacións como a de Leo e Mario, que é unha ruptura. Gústame que sexan personaxes intelixentes, que me permitan traballar cos actores, co diálogo...", subliña. Xamalú Filmes é a compañía responsable da produción de Máximo. A fundadora -xunto con Xavier Bermúdez-, desta empresa, Manane Rodríguez, é outra das poucas mulleres que dirixiron longametraxe de fición no noso país. "Tamén están Patricia Ferreira ou Pilar Sueiro, pero as dúas viven fóra de Galicia", lembra ela mesma. "Eu non creo que o problema sexa unha exclusión consciente, senón algo máis sutil, que está metido na cultura. E non é só unha cuestión de democracia ou de igualdade de oportunidades. É que as películas feitas por mulleres presentan, moitas veces, as temáticas e as personaxes doutra maneira. As protagonistas son persoas que toman decisións, non só acompañantes dos homes. De igual xeito que unha directora non trata unha violación como se fose unha broma, ou amosa preocupacións máis sociais, tamén se cadra relacionadas cos roles que desempeñaron tradicionalmente as mulleres...", asegura. Outra das cineastas de referencia en Galicia, Margarita Ledo, apunta reflexións semellantes. "Desde o punto de vista das estudosas o cine feito por mulleres si presenta algunhas características que o distinguen. Como a tendencia a falar de si mesmas, ao relato en primeira persoa, o tratamento do corpo ou do espazo doméstico, a linguaxe que mestura o realista co ficional... Hai máis mulleres en guión ou en produción que en dirección, e isto ten que ver con que o cine implica diñeiro", asegura. O máis recente proxecto cinematográfico de Ledo é a longametraxe A cicatriz branca, unha historia sobre mulleres que, na primeira metade do século XX, emigraron soas de Galicia a América, boa parte delas sen papeis O máis recente proxecto cinematográfico de Ledo é a longametraxe A cicatriz branca, unha historia sobre mulleres que, na primeira metade do século XX, emigraron soas de Galicia a América, boa parte delas sen papeis. Traxectorias como a de Merce, sen traballo nin lugar ao que acudir, que pasa tres días na Estación Constitución onde se encontra con outras migrantes coma ela. Eva Veiga, Xabier Deive, Lino Braxe, Tamar Novas, Margarita Fernández, Mónica Caamaño, Xoana Pintos, Clotilde Iglesias, Néstor Ageitos e Darío Ageitos forman o abano de intérpretes deste filme de fición con base documental. Máis cara ao documental tira Tralas luces de Sandra Sánchez, tamén nominada para os Mestre Mateo. Cunha dilatada experiencia como montadora, esta cineasta dirixira antes outras obras como Aguiño, sobrevivir ao Prestige, aínda que Tralas luces é a súa primeira longametraxe. "Non é só a historia dunha familia dos poucos oficios nómades que aínda quedan, os feirantes. É unha achega moi íntima a unha muller, Lourdes, coa que calquera se pode identificar, alén da condición social da protagonista. Foi no proceso de rodaxe, que foron nove meses de viaxe con esta familia, cando a descubrín realmente. Decateime do que lle pasaba, de como afogaba nas súas esperanzas, e dalgún xeito ela apoiouse en min. Ela sentía a necesidade de contar o que lle pasaba, e eu estaba alí cunha cámara. En realidade é unha historia universal, sobre a procura da felicidade", indicou. É difícil, na opinión desta realizadora, definir un diagnóstico sobre a cativa presenza de mulleres na dirección. "Son moitos factores. Pero desde logo é un tema para reflexionar, que os datos demostran claramente que existe. A cuestión é que o discurso imperante no cine é dos homes, e isto condiciona o xeito de recibir as historias, contadas desde o punto de vista masculino. Hai ademais prexuízos sobre un suposto cine de mulleres que só interesaría ás mulleres... De todos os xeitos a formación axuda, e agora si hai máis mulleres...", afirma. "Non ten moito sentido, comenta, identificar un "cinema feminino", mais "o que existe sen dúbida é unha mirada masculina" A presidenta de CIMA, Inés París, amósase de acordo con esta percepción na súa análise en Cine y género en España. Non ten moito sentido, comenta, identificar un "cinema feminino", mais "o que existe sen dúbida é unha mirada masculina". Porque, fronte á idea de que o que fan eles é universal e sen xénero, os datos demostran que, con excepcións, "dan un enorme protagonismo aos personaxes masculinos, debuxan as mulleres de maneira estereotipada...". En Galicia, iniciativas coma o festival Mufest, organizado por Andaina, contribuíron a visibilizar o cinema dirixido por mulleres En Galicia, iniciativas coma o festival Mufest, organizado por Andaina, contribuíron a visibilizar o cinema dirixido por mulleres. Claudia Brenlla, Susana Rei, Sabela Pernas, Diana Gonçalves ou as máis recoñecidas internacionalmente Peque Varela ou María Ruído son algunhas das cineastas que estiveron dunha maneira ou doutra representadas nesta mostra. Mais aos seus poderían engadirse moitos outros nomes: Carme Rábade, Uqui Permui, Adriana Páramo, Paula Cons, Olalla Sendón, Eva Quintas, Beatriz Santana, Bea del Monte…
NOS_21233
Case 450 inscritos na cuarta edición dos Premios Martín Códax da Música. A directiva de Músicos ao Vivo destaca o apoio dos músicos galegos para visibilizar, como cada ano, a gran cantidade, calidade e diversidade dos proxectos musicais do noso país.
Despois dunha primeira edición na que se saldou unha débeda histórica coa música galega, e dunha segunda e terceira nas que se se consolidou o certame (incorporando os Premios Organistrum para recoñecer o labor da industria, reacomodando as datas e sumando categorías importantes); esta cuarta edición supón o asentamento definitivo dos Premios Martín Códax da Música, con 449 proxectos inscritos, un máis que na anterior edición. Desta volta, ademais, as bases non permitían presentarse aos premiados na pasada edición. Unha vez máis, foron cubertas todas as categorías, o que demostra, segundo o voceiro de Músicos ao Vivo, Ramón Bermejo, "o indiscutible potencial e diversidade musical de Galicia e afianza a MAV como a casa común dos músicos galegos." Ademais das 16 categorías musicais, novamente as salas, festivais e espazos de comunicación musicais, cómplices imprescindibles das músicas e músicos galegos, ven tamén recompensado o seu importantísimo labor a través dos Premios Organistrum. Bermejo asegura que o balance non podía ser máis positivo: 386 grupos, 17 salas, 24 festivais e 21 medios de comunicación inscritos, e engade que "esta cuarta edición do certame pasará á memoria como a edición da asentamento: os Premios Martín Códax da Música chegaron para quedarse e para visibilizar a música que se fai no país". A organización admite tamén que categorías como Tradicional e Música de Verbena non reflicten a riqueza e a inxente cantidade de proxectos deste tipo que existen no país A categoría de rock volve ser a máis numerosa con 68 inscritos. Ademais, destaca tamén a categoría de pop/indie con 47 proxectos. O que dá boa mostra do excepcional momento que vive Galiza nestes estilos, con propostas moi orixinais e de calidade internacional. En canto ao resto de categorías cómpre salientar o bo momento da Canción de Autor con 39 inscritos e os 34 de Músicas do Mundo, o que da unha idea da diversidade de estilos feitos en Galicia. Séguenlle 28 en Folque e 25 en Jazz, estilos cunha gran traxectoria e seguemento no país. Con 21 proxectos están as categorías de Blues/Funk/Soul, Clásica e Electrónica. O Metal galego amosa a súa forza con 19 inscritos; a Música Infantil quédase en 13; e con 11 proxectos atopamos 3 categorías (Hip Hop, Tradicional e Reggae/Ska/Mestizaxe). Por último, presentáronse 10 proxectos en Coros e Grupos vocais, e 8 en Orquestras/Grupos/Música de Verbena. Desde a organización recoñecen que os inscritos son só a punta do iceberg, e que en Galiza faltan moitos proxectos musicais por saír á luz. Admiten tamén que categorías como Tradicional e Música de Verbena non reflicten a riqueza e a inxente cantidade de proxectos deste tipo que existen no país; e animan a todos os que formen parte deste tipo de proxectos a participar en vindeiras edicións. Entran profesionais no xurado Mediante un proceso de votación online e privado a través da web, as socias e socios de Músicos Ao Vivo escollerán entre o 6 e o 26 de marzo aos 3 finalistas de cada unha das categorías existentes, que se farán públicos o 6 de abril durante a Festa de Nomeados que se celebrará, como cada ano, nas Bodegas Martín Códax, en Cambados. Como novidade, nesta edición, un xurado integrado por músicos e profesionais do sector decidirá os proxectos gañadores en cada unha das categorías, de entre os finalistas. O xurado, que tamén fará as súas escollas a través do sistema de votación online de Músicos ao Vivo, será secreto e os nomes dos seus integrantes non se farán públicos ata finalizar o proceso. Os gañadores coñeceranse o 3 de maio no transcurso da Gala de Entrega de Premios que terá lugar un ano mais no Pazo da Cultura de Pontevedra.
NOS_14709
Máis un novo imcumprimento da normativa electora por parte do PP, que xa recibiu seis resolucións negativas da Xunta Electoral. A Lei electoral limita ao período de campaña electoral, que enceta esta quinta feira, o tempo no que os partidos poden pedir o voto.
Despois de teren sido obxecto de seis resolucións da Xunta Electoral por vulnerar a Lei orgánica do réxime electoral xeral, o Partido Popular incorre nun novo incumprimento da normativa electoral. @s populares veñen de pedir o voto, cando inda non encetou o período de campaña electoral no que se permite facelo, ao inserir o que será o seu cartel electoral nas páxinas do xornal La Voz de Galicia e tamén na súa edición dixital. A Xunta Electoral emitiu onte mesmo unha resolución na que obriga á Xunta a retirar a información publicada no seu portal web ao fío da participación do Presidente da Xunta no acto de incorporación de novos axentes á Policía Autonómica. O gabinete de comunicación da Xunta cubriu o acto de Feijóo en Madrid Alén dos incumprimentos xa mencionados, onte mesmo o gabinete de prensa da Xunta de Galiza era o encargado de emitir unha nota de prensa dando conta da participación de Feijóo nunha palestra pública en Madrid. No acto, que tivo un evidente compoñente electoral, no que o candidato popular foi presentado por Mariano Rajoy, Feijóo fixo referencias explícitas ás eleccións do vindeiro 21-O, polo que procedería que a súa cobertura fose asumida polo gabinete de comunicación d@s populares e non polo do Goberno galego.
NOS_41812
O debate soberanista agudiza as contradicións na política catalá. Tamén no seo do partido de goberno. Artur Mas non desautorizou hoxe o ataque lanzado onte polo consello de Barcelona de CDC contra Duran i Lleida.
Duran i Lleida afirmou hai uns días que votaría en contra da independencia nun eventual referendo. A resposta dos sectores soberanistas de CDC non se fixo esperar. Onte, o consello de Barcelona de Convergència, o partido de Mas, emitiu un duro comunicado contra o líder democrata cristiano. Unió agardaba que hoxe Mas desautorizase os seus. Tal cousa non aconteceu. O conseller de Unió Josep Maria Pelegrí retou mesmo aos sectores de CDC hostís a Duran i Lleida a que formulen nos órgaos da coalición a hipótese da fin da federación entre estes dous partidos. A tensión é máxima a escasas horas de que esta cuarta feira (apartir das 10 horas) o Parlament vote a Declaración de Soberanía pactada por CiU con ERC e ICV.
PRAZA_12834
A Rede de Dereitos Sociais e Galiza non se vende publican o mapa crítico de Galiza 2012, un traballo colaborativo de denuncia e oposición á destrución do territorio que a través dunha completa infografía, amosa os lugares afectados por contaminación, encoros, parques eólicos, especulación urbanística, piscifactorías, asentamentos precarios, monocultivos ou transxénicos.
A Rede de Dereitos Sociais e Galiza Non Se Vende publican o mapa crítico de Galiza 2012, un traballo colaborativo de denuncia e oposición á destrución do territorio que a través dunha completa infografía, amosa os lugares afectados por contaminación, encoros, parques eólicos, especulación urbanística, piscifactorías, asentamentos precarios, monocultivos ou transxénicos. O gráfico contén abondosa información sobre a localización e impacto destas ameazas, así como links a documentos de análise, dispoñibles na rede e realizados por distintos colectivos. O gráfico contén abondosa información sobre a localización e impacto destas ameazas, así como links a documentos de análise, dispoñibles na rede e realizados por distintos colectivos Este Mapa crítico Galiza 2012 pretende ser, segundo a Rede de Dereitos Sociais, "unha sintética plasmación gráfica das agresións e conflitos que, relacionados co medio, son sinalados e problematizados politicamente por infinidade de colectivos sociais do pais que se opoñen cotidianamente a destrución que o modo de explotación capitalista impón sobre o noso territorio". A cartografía recolle algúns dos elementos centrais na loita pola defensa "do que é de toda a cidadanía, do Procomún: esa constelación de recursos que debe ser activamente protexida e xestionada na busca de manter o ben común". Din, finalmente, que este mapa crítico está dedicado "a todas aquelas persoas anónimas que, combativas e rebeldes, poñen o corazón e a cabeza na defensa de este pais. A todas, pero en especial a unha: Xosé Reigosa, un galego bó e xeneroso, un imprescindíbel. Vai por tí Xosé!" Descarga aquí a infografía (.pdf)
NOS_28447
Estados Unidos cancela a reunión bilateral con Rusia prevista para esta quinta feira.
O Consello de Seguridade Nacional e Defensa de Ucraína aprobou nesta cuarta feira impor o estado de emerxencia en todo o país ante a repunta das tensións con Rusia na rexión do Donbass, unha medida que aínda debe recibir o respaldo do Parlamento para a súa entrada en vigor. O anuncio foi realizado polo secretario do organismo, Oleksiy Danilov, que resaltou que a medida non entraría en vigor en Donetsk e Lugansk, epicentro do conflito desde hai oito anos. Ademais, o Ministerio do Interior ucraíno destacou nunha mensaxe en Telegram que se introducen novas restricións nas zonas fronteirizas do país, incluída unha prohibición de permanencia durante a noite e a suspensión do tráfico rodado fóra da rede de estradas que leven á fronteira. Interior explicou que se impuxeron medidas para impedir a presenza de estranxeiros nestas zonas e controlar o uso de estacións de radio, o sobrevoo de drons e a realización de vídeos ou fotografías de elementos de seguridade na fronteira. E o Ministerio de Exteriores instou a abandonar Rusia "inmediatamente" a cidadanía ucraína, uns tres millóns de persoas que viven de forma permanente ou parcial en territorio ruso. Tamén esta cuarta feira o Parlamento ucraíno aprobou de forma provisional un proxecto de lei para legalizar a tenencia de armas por parte da poboación, co obxectivo de "determinar as condicións" para a súa obtención "por parte de civís e de entidades legais" para "a autodefensa", así como crear un rexistro deste armamento e determinar a súa posesión e uso "por parte de estranxeiros en Ucraína". Resposta rusa ás sancións Do outro lado da fronteira, a respecto das sancións anunciadas por Occidente e máis concretamente por Estados Unidos polo recoñecemento das repúblicas populares de Donetsk e Lugansk, o Ministerio de Exteriores ruso emitiu un comunicado en que promete dar "unha forte resposta", segundo informou Russia Today. "Malia a inutilidade obvia dos esforzos, realizados ao longo de moitos anos co fin de impedir o desenvolvemento da nosa economía, Estados Unidos volve usar por reflexo as ferramentas restritivas que son ineficaces e contraproducentes desde o punto de vista dos propios intereses estadounidenses", sinala o texto. A política exterior estadounidense, engade o comunicado gobernamental, xa non ten no seu arsenal máis medidas fóra "da chantaxe, da intimidación e das ameazas". Ademais, insístese en que desde Rusia "estamos abertos á diplomacia, con base nos principios de respecto mutuo, igualdade e atención aos intereses de cada un". A respecto desa "forte resposta", Exteriores asegurou que non será "necesariamente simétrica", mais si "axustada e sensíbel para a parte estadounidense". Os xefes da diplomacia rusa e estadounidense, Sergei Lavrov e Antony Blinken, tiñan previsto manter esta quinta feira unha xuntanza en Xenebra, mais o norteamericano cancelouna "agora que vemos que comeza a invasión" de Ucraína, segundo manifestou nunha conferencia de prensa desde Washington despois de reunirse co seu homólogo ucraíno, Dmitro Kuleba. China critica a "dobre moral" dos EUA e as sancións contra Rusia O Goberno chinés condenou a imposición de "sancións ilegais" contra Rusia e acusou os EUA de facer gala dunha "dobre moral" en cuestións relacionadas coa soberanía. A portavoz do Ministerio de Defensa chinés, Hua Chunying, considerou que "culpa do aumento da tensión e o clima de pánico en Ucraína" é de Washington, e lembrou que EUA impuxo a Moscova centos de sancións desde 2011. "Resolveron algún problema? Vaise resolver a crise de Ucraína impondo sancións? Fai do mundo un lugar mellor?", preguntouse. Tamén desde o Goberno do Irán acusouse a EUA e a OTAN de "empeorar a situación" con accións "provocadoras". Na mesma liña que o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, que cuestionou: "E que pretende o mundo? Que o presidente Putin fique de brazos cruzados e non actúe en defensa do seu pobo?".
NOS_45382
En agosto abundan as festas gastronómicas. Hainas de todo tipo e para todos os gustos: mexillón, longueirón, percebe, pementos, polbo, solla, requeixo… e mesmo albariño, mais a do pemento de Oímbra ten unha particularidade, o lugar onde se desenvolve: un centro de saúde.
Polémica no concello de Oímbra -gobernado polo PP- pola celebración da XXI Feira do Pemento. Que estea tendo lugar este domingo no centro de saúde da localidade da comarca de Verín é un feito de por si noticiábel. Quen puxo a voz de alarma foi a CIG, quen lamenta que o Sergas permita utilizar o inmoble para acoller unha festa gastronómica. O sindicato nacionalista critica que Sanidade xustifique que o centro de saúde feche as fins de semana para defender que as dependencias sanitarias se empreguen como lugar para a celebración da festa do pemento. A CIG, que urxe a Consellaría a "abrir o centro de saúde nas fins de semana en vez de organizar festas nas súas dependencias", advirte de que estudará encetar "as accións necesarias" contra o que considera unha brincadeira "de mal gusto". O Sergas, pola súa parte, ampara a celebración da degustación do pemento no ambulatorio e acusa a CIG de crear alarma na poboación. A instalación, segundo a xerencia sanitaria da zona, non se verá alterada. "Basta con ver as fotos desta festa en anos anteriores para constatar que a Xerencia falta á verdade", responde a CIG, que lamenta que o Sergas a acuse de actuar con intereses partidistas e de querer xerar "alarma social". "Non é a CIG a que leva aos centros de saúde políticos do PP a degustar pementos", conclúe o sindicato nacionalista.
NOS_47892
Si, Bruno Kammerer existe e é un deseñador gráfico suízo auténtico, con atelier aberto en Zürich, cidade na que naceu en 1936.
Pero Bruno é un suízo atemperado polo clima galego, que asume para ben e para mal: coñecino un día de inverno, cun chover que era arroiar, no que el cruzou Galiza de sur a norte para atoparnos persoalmente; por correo postal Bruno xa se presentara enviándome unha das súas litografías de arte concreta, que serven de espléndidas nadaliñas para os seus amigos. Pero é o sol de Hío o que Bruno procura na Galiza, onde hai case trinta anos alugou casa e terras para cultivar viñas nun chan areoso ─deste ano non pasa, Bruno, hei de ir catar ese viño. Eu nada sabía daquela, pero a principios dos noventa foi este suízo-galaico o artífice de presentar en Zürich unha exposición do deseño galego, organizada pola Xunta da Galiza, na que eu participei. Concelleiro na súa cidade polo Partido Socialista Suízo, Bruno conseguiu que por aquela sala municipal de exposicións desfilaran boa parte dos galaico-suízos residentes naquel país, chamados polo orgullo patrio de que unha institución helvética dedicara unha mostra a "algo" galego, mesmo que ese "algo" fose o deseño, nunha cultura aínda naquela altura izada de "meigas e trasgos". Debémoslle esta rara proeza ao concelleiro Bruno Kammerer, unha das moitas nos seus 18 anos de mandato municipal en Cultura ou Urbanismo. Porén, se falamos da súa actividade profesional, cómpre saber que no seu atelier zuriqués Bruno dispón de dúas mesas de traballo: unha é un moble "funcional" de concepción moderna, outra é un venerábel escritorio de ebanistería do século XIX. O deseñador alterna entre as mesas a realización dos seus traballos. Cando o asunto é de tipo corrente, a mesa elixida é a moderna; pero cando o tema é de carácter social ou político, Bruno elixe o escritorio antigo. Continúa así a tradición do seu pai, Jean Kammerer, xastre, que só usaba este escritorio cando redactaba os seus artigos para as publicacións do Partido Comunista Suízo. Cando era novo, Jean recibira a encomenda política de buscar aloxamento en Zürich para o exiliado ruso Lenin e a súa esposa, cousa que logrou nun apartamento dun tío seu, que puxo o escritorio á disposición do revolucionario. Lenin retornou a Rusia en 1917 e Jean acabou herdando aquel escritorio. Esta é a mesa que utilizou Bruno, poño por caso, no deseño da placa que conmemora os 800 suízos nas Brigadas Internacionais durante a Guerra Civil española. Tres cadrados, tomados do rexo vocabulario bauhausiano, mostran na placa as tres cores da bandeira da República Española. E velaí tamén outros cadrados, desta vez deseñados sobre a súa mesa "funcional": son os que sinalan os tipos de viños que elabora Luís A. Rodríguez Vázquez na súa adega do Ribeiro. Quen nos ía dicir que o mítico A Torna dos Pasás leva unha etiqueta deseñada na Suíza con tipografías Gill Sans e inglesa, coa que Bruno quere dar un ar de Grand cru, que este viño ben merece.
PRAZA_14923
Co gallo da celebración do III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, a coordinadora de equipos de normalización lingüística organiza un conferencia de cinco investigadores e investigadoras galegas que investigan a físicas de partícula. O debate seguirase en directo dende un cento de centros de ensino de toda Galicia.
Co gallo da celebración do III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística e o Servizo de Normalización Lingüística da USC organizan unha videoconferencia este martes 6 de novembro, na que destacados investigadores en Física de Partículas formados en institutos galegos falarán sobre os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. Os alumnos e mestres dos centros escolares que desexen participar terán a posibilidade de interaccionar con eles vía chat. Ao redor dun cento de centros participarán na iniciativa, na que poderán ver e escoitar a Patricia Conde (Investigadora no LIP de Lisboa. Física do experimento ATLAS do CERN), Olalla Castro (Profesora no City University en Londres. Investiga en Teoría Cuántica de Campos), Abraham Gallas (Investigador no CERN e na USC. Físico do experimento LHCb do CERN), Carlos Salgado (Investigador no CERN e na USC. Investiga o estado da materia nos primeiros instantes do Universo) e Cibrán Santamarina (Profesor da USC. Traballa no experimento LHC do CERN). Os expertos internacionais en física de partículas que participarán na videoconferencia formáronse en institutos galegos Os experimentos do LHC no CERN levan máis de dous anos de toma de datos. Neste período producíronse resultados científicos de grande interese. A descuberta dunha resonancia que podería ser o bosón de Higgs, que foi noticia de primeira páxina en todos os informtivos do mundo, a pescuda de partículas supersimétricas, os resultados na busca do plasma de quarks e gluons, o estado da materia do universo primitivo, son só algúns dos fitos acadados. Neste proxecto internacional traballan físicos galegos que colaboran con colegas de todo o mundo nun contexto multilingüe. A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística salienta que "moitos deles utilizan o galego para realizar parte do seu traballo, tanto no contexto informal de discusións entre eles, como para a realización de traballos científicos (teses e teses de mestrado) así como na docencia e a divulgación científica". III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego Este 5 de novembro celébrase o III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, que este ano se dedica á Tecnoloxía, a Leonardo e a Ramón Verea. Para conmemoralo propóñense distintas actividades relacionadas coa bicicleta e con estes dous investigadores. Ademais, a USC leva a cabo outras accións de divulgación nos seus centros. E o mesmo fai a Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia. Ramón Verea Ramón Verea foi un investigador e inventor nacido na Estrada en 1833 e finado en Bos Aires en 1899. Estudou na Universidade de Santiago e emigrou a Cuba, Estados Unidos, Guatemala e, finalmente, Arxentina. Fíxose coñecido por inventar unha máquina de calcular, patentada en 1878, capaz de sumar, multiplicar e dividir números de nove cifras, admitindo ata seis números no multiplicador e quince no produto. A calculadora pesaba uns 23 quilos de peso, 35 centímetros de longo, e tiña 30 centímetros de ancho e 20 de alto. O aparello podía resolver 698.543.721 x 807.689 en vinte segundos, unha velocidade sorprendente para a época.
NOS_51063
Todos os grupos da oposición comprométense a desenvolver iniciativas parlamentares que permitan poñer freo á "expansión incontrolada do eucalipto" no noso país.
Só o PP, de entre os grupos parlamentares da cámara galega, se desmarcou de apoiar a campaña impulsada por unha vintena de colectivos ecoloxistas para frear a expansión do eucalpito en Galiza. Nesta semana,Fins Eirexas (ADEGA) e Roberto Hermida (AGCT), en representación dos colectivos que fan partede "Stop eucalipto...Avante carballo!" reuníronse con representantes de todos os grupos políticos presentes no Parlamento galego, agás o PP, para presentarlles os cinco puntos que recolle o manifesto da campaña. Os populares non responderon á petición realizada para manter unha xuntanza. Todos os grupos da oposición, informan os ambientalistas, amosaron a súa preocupación pola "incontrolada expansión do eucalipto" e a súa concordancia coas propostas recollidas no manifesto. Do mesmo xeito, amosaron o seu compromiso por propoñer iniciativas parlamentares que permitan atallar esta problemática e a súa disposición a traballar conxuntamente con outras forzas políticas neste eido. Os cinco puntos do manifesto inclúen peticións como que se cumplan as limitacións que impoñen as diferentes normativas existentes á plantación de eucaliptos, a prohibición do cultivo do Eucalyptus nitens –mediante a creación dun Catálogo Galego de Especies Alóctonas Invasoras no que se inclúa esta especie- ou o fomento do cultivo de especies autóctonas e do aproveitamento multifuncional do monte.
NOS_4865
A organización do certame xa anticipou a veciñas e veciños, institucións e patrocinadores as datas da nova edición, que terá lugar do 18 ó 21 de maio.
A XIX edición do Festival de Cans regresará en 2022 ás súas datas habituais de primavera, e terá lugar entre 18 e 21 de maio, volvendo a coincidir en datas co Festival de Cannes francés, como xa é tradición. Estas datas foron decididas pola asemblea da Asociación Cultural Arela, entidade organizadora do certame, e así o foi anticipando nos últimos días a veciñas e veciños que prestan as súas casas e 'jalpóns', ás principais institucións que apoian o certame, así como ós patrocinadores privados e empresas colaboradoras. A organización vén traballando nas últimas semanas nos contidos e no deseño do que será a XIX edición, que seguirá inicialmente as liñas das dúas últimas edicións, dando maior relevancia ás proxeccións de cine, ás actividades, aos encontros e coloquios e ás actividades diurnas, sen renunciar ás actuacións musicais que configuran unha das partes relevantes do certame. Festival de Cans acadou na súa última edición de 2021, a cifra de 7.500 espectadores. Desta cifra, unhas 6.000 persoas asistiron de forma presencial ás proxeccións, concertos e actividades A experiencia adquirida nas dúas últimas edicións marcadas pola pandemia, leva á organización a traballar en paralelo cunha marxe para tomar decisións en cada momento, de acordo co que vaia determinando as autoridades sanitarias. Malia as circunstancias derivadas das restricións impostas, o Festival de Cans acadou na súa última edición de 2021, a cifra de 7.500 espectadores. Desta cifra, unhas 6.000 persoas asistiron de forma presencial ás proxeccións, concertos e actividades do festival, e outras 1.500 persoas conectáronse de modo virtual a algunha das seccións de curtametraxes ou coloquios en streaming a través das canles de difusión do certame, vía que seguirá a potenciar na vindeira edición do mes de maio. O Festival informa que realizou o pasado ano 121 contratacións laborais e contratou servizos a case 50 empresas locais, ademais de contratar directamente 140 habitacións a diferentes establecementos hoteleiros. Outra das actividades que o Festival impulsou neste 2021 foi o ciclo "Cinemaldea", que levou unha selección das curtametraxes premiadas en Cans a todas as parroquias do Porriño, acadando a cifra de 250 persoas que asistiron presencialmente a estas proxeccións, co ánimo de achegar o cinema ao rural.
NOS_23086
Un novo corte entre Abadín e Mondoñedo na A8, o segundo en 24 horas, reaviva o debate sobre este tramo da autovía do Cantábrico. O PP insiste en que o problema é "meteorolóxico". Desde concellos como o de Mondoñedo falan de "vergoña".
O alcalde de Mondoñedo, Orlando González (BNG), volveu exixir que se poña remedio aos problemas xerados polos constantes cortes de tráfico na A8 entre Abadín e Mondoñedo por mor da néboa. O rexedor instou, en declaracións recollidas por Europa Press, tanto a Fomento como a Xunta a que adopten medidas para que a autovía sexa "transitábel e segura". Mais tamén, e ante os desvíos de tráfico polos cortes na A8 por néboa, demandou o arranxo da N634, que ten que acoller esa circulación. "Dígolle a Fomento e á Xunta que se poñan as pilas, que arranxen a N-634 e que poñan en condicións a LU-124". O alcalde tamén alertou sobre o problema que se pode dar na A8, alén do da néboa: a entrada de gando, como vacas e cabalos, a través da rotonda de Curros. "Puxeron alí uns pasos canadenses mais non teño moi claro que sexan efectivos". Orlando González lembrou que na ponte de agosto houbo un accidente producido ao bater un turismo contra unha res que entrara no vial. Pola súa banda, desde o PP, e por boca do deputado Ramón Rodríguez, afirman que se está a intentar subsanar o problema na A8 e reduciu o mesmo a unha cuestión "climatolóxica".
PRAZA_14523
A publicación en galego mestura a actualidade coas reportaxes, as entrevistas e a análise, ademais de contidos culturais relacionados cun deporte con milleiros de afeccionados en Galicia.
Os afeccionados galegos ao baloncesto están de noraboa. O mes de outubro chega cunha innovadora publicación debaixo do brazo. Nace Zona Press, unha revista mensual de básquet, en galego e centrada nun deporte que, se xa tiña auxe en Galicia, conta agora con milleiros de seareiros por todo o país. A revista, a primeira centrada no básquet para Galicia e en galego, conta no primeiro número con entrevistas a Pau Gasol ou Moncho Fernández Óscar Losada, xornalista e escritor, é o promotor e director desta publicación, que se venderá nos pavillóns dos catro equipos masculinos de elite (Obradoiro, COB Ourense, Breogán e Básquet Coruña) e que se converte na primeira revista centrada neste deporte que xorde en Galicia. "Deuse a situación agora polo momento profesional e laboral polo que paso; gústanme moito os deportes, e en especial o baloncesto, e lanceime", explica o responsable dunhas follas nas que no primeiro número podemos atopar pezas tan variadas e interesantes como as entrevistas a Pau Gasol ou o adestrador obradoirista, Moncho Fernández, así como reportaxes sobre Bill Bradley ou sobre o pasado neste deporte de Fidel Castro. "Fixen unha revista que a min me gustaría ler, pero que creo que lle gustará tamén aos amantes do baloncesto", engade Losada, que lembra que Zona Press non está tan centrada na actualidade -que haberá-, como na análise, as entrevistas ou as reportaxes nas que se mesturará o deporte coa cultura. De feito, xa hai unha sección preparada sobre a pegada do básquet no cinema. "O baloncesto feminino contará con tanta atención como o masculino", di o director, Óscar Losada Ademais, destaca, "as mulleres terán tanta atención na publicación como os homes". "Temos preparados temas moi interesantes sobre o baloncesto feminino", explica o director, que recorda que Galicia conta con seis equipos na segunda categoría estatal, logo do descenso administrativo do histórico Celta "por culpa cun Concello de Vigo que non deu valorado a importancia dese club na historia do deporte galego". De feito, neste primeiro número inclúese unha entrevista coa internacional galega Claudia Calvelo. A revista chega en plena crise dos medios impresos, pero non tanto de revistas especializadas, mensuais ou trimestrais, que buscan un público específico e contidos de calidade. Zona Press segue o ronsel de publicacións como as revistas sobre fútbol Panenka ou Líbero, onde tamén colabora Óscar Losada. "Agora en plena crise saen moitos proxectos que triunfan ao mesturar cultura e deporte en textos de calidade, e fano en papel", explica o director, que engade tamén que contan cunha páxina de Facebook na que avanzan novidades, pero non as informacións incluídas na versión impresa. Zona Press venderase nos pavillóns dos principais equipos galegos nos seus partidos como local. Nesta fin de semana, xa se poderá gozar dunha revista que busca apoios publicitarios para continuar unha andaina que promete e que agarda contar co apoio dos principais clubs de baloncesto do país. Dirixíndose ao seu enderezo electrónico pódese conseguir toda a información: [email protected].
NOS_33399
Carlos López López presentou na Escola Politécnica de Enxeñaría do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela unha tese na que estuda o comportamento do gando cabalar e vacún en zonas de breixo e toxeiras do Cantábrico. Os resultados sinalan a gandaría como alternativa sustentábel para unha xestión do territorio que permita, entre outras cousas, solucionar o problema dos incendios.
Cal é o contexto que motiva o estudo da súa tese? A problemática que hai en todo o noroeste da Península coa superficie de matogueira. Cada vez hai máis abandonada, co consecuente incremento da biomasa leñosa, que provoca unha gran cantidade de incendios. Por mor disto, tratamos de explorar unha alternativa ao que vén facendo até agora a administración, que se reduce a limpezas mecánicas que non funcionan. Gástase diñeiro en rozar un ano, logo abandónase, faise unha queima, ou vólvese desbravar dentro dun tempo. A nosa proposta era estudar como mellorar, mediante a gandaría, ese tipo de xestión. Os nosos obxectivos pasaban por ver como o gando pode aproveitar esa zona de matogueira. Ademais, á parte do factor ambiental, que poida haber unha produción animal que sexa rendíbel, sobre todo nas zonas do medio rural desfavorecidas e cunha forte despoboación. Tratamos de explorar unha alternativa ao que vén facendo até agora a administración, que se reduce a limpezas mecánicas que non funcionan Como se desenvolveu a investigación? O estudo fíxose nunha serra de matogueira no occidente de Asturias, onde estabelecemos diversos experimentos. Primeiro, fixemos un pastoreo de eguas sobre tres tipos de mato –pois non sempre é homoxéneo–: un dominado por breixos, outro por toxos e outro por unha mestura de herbáceas. Deste xeito cubiramos a vexetación característica do norte da penísula. cubrindo a vexetación característica do norte da Península. Observamos a produción animal desde o estado sanitario –se o número de parasitos era maior ou menor– e desde o fisiolóxico –se eran eguas preñadas ou sen cría. Tamén vimos a diversidade florística, con varias mostraxes de como se desenvolve a ao longo do tempo con pastoreo ou sen el. Tradicionalmente todas estas zonas eran aproveitadas con pequenos ruminantes, ovino e caprino, que actualmente están desaparecendo nos censos gandeiros en favor dos grandes herbívoros Por outra banda, comparamos o gando equino co vacún, porque son as dúas especies máis abundantes no noroeste. Tradicionalmente todas estas zonas eran aproveitadas con pequenos ruminantes, ovino e caprino, que actualmente están desaparecendo nos censos gandeiros en favor dos grandes herbívoros. Porén, a información que hai destes en pastoreo extensivo é moi escasa. Non ten nada que ver co vacún de leite, que si que está estudado. No de carne e no equino hai moi pouca información. Por iso queriamos comparar estas dúas especies e ver como se complementan os seus rendementos produtivos e se poden ser sostíbeis neses mosaicos de mato. E por último, para poder ter datos, empregamos uns biomarcadores moleculares –uns compoñentes indixeríbeis das plantas– que recuperamos nas feces dos animais. Con eles podemos estimar a composición de dieta, é dicir, o que cada animal come, e a dixestibilidade desta inxestión. Empregamos uns alcois de cadea longa, algo novidoso en equinos que demostrou ser un xeito excelente de controlar estes parámetros, pois non son invasores, non afectan ao comportamento normal dos animais. Cales foron os resultados? O gando pode pastar nas zonas de matogueira de maneira sostíbel desde un punto de vista produtivo e ambiental O pastoreo, quer de vacún quer de equino, aumenta a diversidade da matogueira, o que pola parte ambiental reduce a cobertura vexetal e a altura do mato. Por outra banda, as eguas e cabalos teñen rendementos produtivos nas zonas de toxo practicamente similares aos que se obteñen en pradeira. Entón, confirmamos que o interesante é termos mosaicos de vexetación, zonas de matogueira con zonas de pradeira, de xeito que logremos diversificar toda a vexetación e se consiga unha produción animal rendíbel. Logo habería que ver tácticas de manexo particular, pero a esencia é aproveitar a vexetación que hai. O gando pode pastar nas zonas de matogueira de maneira sostíbel desde un punto de vista produtivo e ambiental. A administración debería cambiar o chip de considerar o gando só como algo produtivo economicamente, pois tamén pode ter un beneficio ambiental na xestión dos incendios que habería que valorar, primando esas áreas. Desde a administración deberían ver a gandaría como unha opción para xestionar ese territorio Apuntan nesa dirección políticas? A administración estao a facer mal. A nova Política Agraria Común (2014-2020) exclúe esas zonas de matogueira como non pastábeis. Aos gandeiros non lles interesa ao non teren subvención e esas áreas abandónanse. Aí xorde o problema dos incendios. Desde a administración deberían ver a gandaría como unha opción para xestionar ese territorio. Iso implica unha mudanza nas políticas cara a un desenvolvemento do rural de verdade.
NOS_40544
A caza do raposo está no punto de mira logo dos últimos campionatos no país, que estiveron marcados por unha ampla oposición social. Decenas de colectivos animalistas e forzas políticas esixiron a abolición destas prácticas, que contan co apoio e o financiamento da Xunta malia contravir a propia lexislación. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 283.
"Estes campionatos o que fan é unha especie de vivencia aínda máis cruenta do que é a caza. E engaden unha dose de violencia inxustificada co uso de cans. Son batidas intensivas, masivas e branqueadas cun halo deportivo. Ese afán competitivo racha co propio criterio dos cazadores, que din que conservan a natureza e equilibran o ecosistema", explica o coordinador da asociación Libera!, Rubén Pérez, que critica os argumentos que manteñen viva esta práctica na Galiza, onde tiveron lugar seis campionatos durante as últimas semanas en distinta comarcas pontevedresas. "Non ten ningún aval. Empregan un documento pseudo-científico, editado pola propia Federación Galega de Caza, onde a metodoloxía para facer o cálculo de raposos son as batidas de caza, e só aquelas supervisadas pola propia Federación", sinala Pérez. Publicado en 2009, o informe calculaba que o país ten a maior densidade de raposos a nivel estatal, cunha media de 2,71 exemplares por quilómetro cadrado, o que xustificaba "aumentar considerabelmente a taxa de capturas anuais". A ausencia dun censo rigoroso é unha das reclamacións máis repetidas polas organizacións ecoloxistas, que negan tales cálculos. Sen coñecer o número exacto de raposos, consideran, non existe base para estas matanzas baixo un teórico control da especie. Xa no ano 2011, antes da aprobación da Lei 13/2013 que regula a caza na Galiza, a asociación Verdegaia apuntaba nun informe que estes campionatos estaban "unicamente motivados por un aproveitamento cinexético-deportivo da especie sen unha xustificación científica real". [Podes ler a reportaxe íntegra no número 283, á venda na loxa e nos quiosques habituais]
NOS_46263
Rúas e autovías cortadas, marchas a pé, concentracións... A resposta á sentenza do TS comeza a articularse por todo o territorio catalán.
Ao pouco de se facer pública a sentenza do Tribunal Supremo sobre as persoas xulgadas polo 'procés' comezaron xa a desenvolverse as primeiras mobilizacións e accións en Catalunya de rexeitamento á resolución. ANC, Òmnium, CDRS, Tsunami Democrático e estudantado, entre outros, fixeron un chamamento a se sumar ás diferentes mobilizacións que se están articulando e a estar pendentes das próximas convocatorias. En Barcelona, Girona e ducias de localidades catalás xa hai corte de rúas e manifestacións, así como tamén hai cortes de tráfico en diferentes partes do territorio. Un exemplo foi o corte da C-17, na que tomaron parte centos de persoas. Na capital catalá, desde diferentes facultades partiron columnas de estudantes en dirección á Praza de Catalunya. Sindicatos e diferentes entidades convocan unha concentración de rexeitamento na Praza de Sant Jaume ás 13:30 horas naixo o lema 'Pels drets i les llibertats', contará coa participación de organización como Intersindical CCOO, UXT, Unión de Payesos e Òmnium, entre otras. EN DIRECTE Una altra columna d'estudiants arriba a la plaça Universitat. Milers de persones s'hi concentren ara, convocades pel @tsunami_dem; informa @andreumerino https://t.co/F4Zm9Kijc1 #sentència1O pic.twitter.com/dvYb31kwok— NacióDigital (@naciodigital) October 14, 2019
NOS_8394
Nunha contorna privilexiada en moitos aspectos, entre a compaña das illas Alvedosas, no fondo da ría de Vigo, as mariñeiras desenvolven a súa actividade. Érguense moi cedo, con choiva, frío ou mesmo en días de temporal, ou cun sol de xustiza; traballan para gañar o pan no mar, xeira tras xeira, expostas ás súas inclemencias. Mais tamén gozan dos seus ciclos. Móstranse satisfeitas e contentas co que fan, o traballo é duro, pero ten as súas vantaxes e estar en contacto co medio é unha delas para moitas. Iso si, hai que saber aprecialo, estar disposta a mollarse e... saber nadar.
Son as 6.30 horas. As pequenas embarcacións aproan á zona de marisqueo correspondente. Xa vai raiando o día e descóbrese unha paisaxe privilexiada, dominada polo monte da Peneda, vixiante cal montaña sagrada que se eleva sobre a brétema que marca o percorrido do río Verdugo, que desemboca a escasos metros, que nutre as augas e achega as súas particularidades a esta enseada. Atopámonos en Arcade (Soutomaior), ría de Vigo, fechada por dúas significativas pontes cargadas de historia: a de Rande e a de Sampaio. Esta última é unha maxestosa construción de orixe medieval, na que as tropas napoleónicas foron derrotadas na derradeira batalla na Galiza. Na contorna faise referencia ás protagonistas deste feito heroico con placas, nomes de tendas… Algunha das retratadas nesta reportaxe é ben merecedora de homenaxes e, de seguro, acabará recibíndoas. A medida que a luz vai enchendo todo, tamén os sons aumentan. Coas embarcacións xa en posición, comeza o chapoteo do lanzamento dos angazos. Escóitanse as ameixas que ao ser lavadas chocan as súas cunchas contra o aceiro. "Algo soa" é a frase que acompaña este bo sinal, pois indica que o traballo está a ser frutífero. Tamén hai cantigas, conversas... Nesta mañá, un mariñeiro canta "A tu vera", de Lola Flores, e dunha embarcación a outra, as mariñeiras brincan preguntándose se foron ao salón de peiteado, que hoxe veu a fotógrafa. A retranca non falta no tratamento de Estrella á súa neta e viceversa, ambas as dúas na esquerda Varias capas de roupa protexen da humidade e do frío, roupa de auga como uniforme de traballo. Un labor moi físico, o angazo baleiro pesa uns 10 quilogramos e unha vez lanzado e cheo, da area onde crían ameixas e berberechos, máis lodo e algas, pode chegar aos 50 quilogramos, que hai que subir ao barco coa forza de todo o corpo. Este xesto repetitivo é o que domina a mañá e, desde logo, a captura de ameixas. Se non hai, o ánimo vaise minando e o cansazo agroma. Hai momentos moi aburridos, pesados, ateigados de silencio e tedio… O esforzo vai acusando, o caldeiro non se enche… O corpo xa doe. Na confraría de Arcade faenan 38 mariñeiras, que representan 25% dun total de 151 persoas. Seguen a estar en minoría, mais o número vai subindo e a súa reivindicación de seren visibilizadas comeza a terse en conta. Relevo xeracional Estrella está xubilada, foi a primeira muller en enrolarse a flote na confraría; colleron o relevo a súa filla, Gabriela, e o seu neto, que faenan xuntas. Se chove moito, a avoa mételles nunha bolsa roupa seca de recambio, nun xesto de agarimo e coidado moi sentido. Con tenrura, fálalle tamén ás ameixas: "A medrar!", dilles ás pequenas que non dan a talla cando as lanza pola borda, devolvéndoas ao mar. Hai relevo xeracional, moitas das mariñeiras que traballan hoxe fano coas súas nais, que, ao tempo, son netas de mulleres que tamén mariscaban na ría. Neste caso a pé, pois a flote levan pouco tempo indo. Recordan con orgullo a historia dunha destas mariscadoras, furtiva, "unha muller grande, nai de tres fillos de solteira; era moi brava. Foi multada e, ao non poder pagar, foi presa. Deu a cara tamén por outras furtivas e asumiu a súa multa". Falamos da época da posguerra. Hoxe en día o regulamento é moi estrito; estabelécense as cotas máximas e as zonas nas que se pode mariscar entre as confrarías. Todo isto lévase a cabo en asembleas, que non sempre chegan a bo porto. Para ser mariscadora a día de hoxe hai que superar varios cursos e realizar un importante investimento, para custear a embarcación, o motor, os aparellos… Ademais das aulas. Nelas, loxicamente, apréndense nocións esenciais de navegación. Hai momentos nos que a coordinación entre as persoas, para mover o barco, levar áncoras ou amarrar cabos, virán nun silencioso baile, unha rutina á que non se presta case atención, e que a converte en plasticidade pura. O mar ten esa capacidade; todas admiten ser conscientes do privilexio de traballar nesta oficina; aínda que non todo sexa doado. Para nada. A respecto das Administracións, tamén hai queixas. A principal, son as elevadas taxas que se pagan pola cota de autónomas e o seguro. Teñen, aliás, moitos gastos referentes ao mantemento do barco, entre eles o equipamento obrigatorio: radio, extintor, botica de primeiros auxilios, bengalas… Protestan pola falta de adecuación das normativas á realidade: "Bruxelas non veu aquí á ría". Sinalan, por exemplo, que a botica obrigatoria é a mesma que se exixe a un buque mercante ou que a obrigatoriedade de levar bengalas é contraditoria, pois por lei non poderían utilizalas na ría. Ao falar da incorporación da muller ao mercado laboral (sen entrar aquí na "trampa" que isto supuxo, pois na maioría de casos significou ver dobrados os traballos, sen remuneración) poderiamos pensar en retrotraernos a tempos moi afastados, como se todo estivese xa conseguido e estivesemos integradas en todos os eidos da sociedade, mais abonda cunha ollada arredor para nos decatar de que non é así A certa hora da mañá, o barco de control achégase a un porto próximo e recolle as biólogas; elas encárganse dos controis precisos dos tamaños das ameixas e saúde dos bancos, ademais de estaren atentas á calidade das augas, controlar a contaminación… O respecto dos ciclos naturais é fundamental para levar adiante a profesión; igual que o do medio. A pandemia Que pasou durante o confinamento? Pois que seguiron traballando, as que puideron, xa que houbo quen tivo que quedar na casa coidando das crianzas. Os traballos esenciais ficaron claros nese período no que voltamos máis reflexivas, ou gustounos pensar que así foi. Respírase tamén compañeirismo. Cando a cota individual está feita, e antes de pasar polo barco de control -onde se pesan, marcan e selan as bolsas de ameixa, e se revisan os barcos-, algunhas embarcacións achéganse ás das compañeiras, que aínda non remataron, e entréganlles ameixas, para que completen a súa porcentaxe. "Hoxe por ti, mañá por min", din. Non hai débedas. Marlene leva 15 anos indo ao mar, naceu en Suíza. É unha muller nova, ten dous fillos pequenos. O seu avó xa foi mariñeiro, ademais fixo algunhas das embarcacións de fibra coas que hoxe se traballa na confraría. Xa poucas gamelas de madeira quedan, dan máis traballo de mantemento -facer a patente todos os anos, por exemplo-, son máis pesadas e incrementan o consumo… Ela bota en falta a camaradaría dos anos nos que comezou, aquela alegría coa que se compartían os chatos de viño, unha vez rematada a xornada, aínda nos barcos. Acabada "a primeira xornada", puntualiza, pois aínda quedan as outras dúas ou tres… A maioría das mariñeiras coas que falei teñen familiares ao seu cargo, nenas ou maiores. De aí o comentario de Marlene. Tamén é nostálxica das cantigas cantadas polos mariñeiros hoxe xubilados. "Agora cos novos xa non hai ese ambiente, hai máis reguetón nas radios…", lamenta. É certo que nas novas xeracións hai menos tradición, nesta profesión coma en calquera outra. O mar abriuse a persoas sen liñaxe familiar no oficio; que recorreron a el ante as dificultades económicas provocadas pola crise de 2008. Novas maricadoras Susi enrolou hai 11 anos, co seu fillo Marcos. Tivo que fechar a empresa de limpeza na que traballaba. Tamén vén de familia de mariñeiras, ela recorda ir mariscar de nena, coa súa nai, a pé. Agora xa non angaza, por razóns médicas, pois padece fibromialxia, enfermidade que lle provoca dores que llo impiden. Por iso vai facendo a selección das ameixas mentres o seu fillo fai a cota dos dous, moi esforzado, ela anímao: "Veña, Marcos, que xa queda pouco". Unha nai preocupada e agradecida do esforzo do seu fillo, quitando o sustento do mar, día a día. Foi Susi quen promoveu a realización desta reportaxe, pois considera que as mariñeiras "de a flote" están pouco representadas. Sempre se asociou a idea de mariscadora coas mulleres que van "a pé" e esa idea, ese feito, está cambiando. Aínda son minoría nas confrarías fronte ás mariscadoras "a pé", que son, sempre foron, inmensa maioría. O produto que traballan é principalmente a ameixa, de tres variedades: babosa, xapónica e algo de fina. Co berberecho pouco fan, pois escasea moito. Sen estar aínda claro o porqué deste feito, a contaminación antropoxénica aparece como unha das principais causas posíbeis. As ameixas tamén se ven afectadas por unha caracola, especie invasora que lles fai un pequeno furado na cuncha para alimentarse delas e, deste modo, acaba por matalas. Lonxe quedan as imaxes de principios de século, nas que moitas decenas de gamelas de madeira chegaban a porto cheas, con cestos de castiñeiro pletóricos de berberecho; outras na mesma proa do barco amoreándose, formando unha montaña de ameixas. Trabállanse tamén outras artes, como o trasmaño ou as nasas, coas que capturan anguía, camarón, choco, robaliza… Loxicamente, dependen moito das estacións e da climatoloxía. Se hai moito mar, temporal, non saen. Tamén dependen de paradas biolóxicas e doutros factores, como as mareas vermellas. Unha vez atracada a embarcación, lévase a carga á lonxa, onde se selecciona por tamaños, nun primeiro proceso, para despois ser pesada, xa nas diferentes sacas. A mecanización é a protagonista neste momento. O peor? "Aguantar as ganas de facer pis", din. Desculpen polo escatolóxico, pero é un tema que tiñamos que afrontar. Se estás completamente cuberta pola roupa de augas, peto, chaquetóns... e te atopas nunha pequena embarcación, bastante lonxe da terra, que fas cando estás menstruando? Ningunha delas lle deu especial importancia á miña pregunta: "Como moito, levas un poncho de augas en lugar de pantalóns e listo". Afastar a embarcación discretamente e pouco máis. Falamos dos dispositivos femininos para ouriñar de pé, pero ningunha os usa. Aquí trátase todo con moita naturalidade. Forma parte da convivencia, do ambiente laboral. Tendo en conta que os barcos traballan moi xuntos uns cos outros, é normal que xurdan roces e discrepanzas tamén, coma en calquera outro traballo. Hai certo enfrontamento entre mariscadoras, a pé e a flote; os motivos son diversos: diferenza entre os gastos dunhas e doutras, as zonas nas que se sementa a ameixa… A xestión dunha confraría non é doada, hai que se coordinar coas demais confrarías, coas Administracións… A foto de grupo mostra un conxunto de traballadoras orgullosas do que fan e do que fixeron as súas antecesoras. A sesión viuse interrompida pola intervención de Julia, muller moi maior que se achega a saudar; as maiores da equipa van a ela con emoción. Foi mariscadora a pé e súmase ao retrato. Vai acompañada da súa filla, pois están a dar un paseo polo peirao: "Sempre nos conta historias de cando mariscaba no areal…". De seguro, moitas destas historias son moi duras, outras fermosas. Coma o mar mesmo.
PRAZA_4319
Unha sentenza dá a razón a CC.OO., CIG e UGT, que esixían o respecto dun descanso semanal mínimo de 48 horas e a compensación por traballar en días festivos recollida polo acordo asinado en 2018. Os sindicatos levan anos denunciando a vulneración dos dereitos laborais e a sobrecarga de traballo
Nos últimos dous meses a pandemia de coronavirus e o gran número de contaxios e falecementos que se produciron nas residencias de maiores puxo o foco sobre as condicións laborais do persoal estas instalacións. Unha gran parte das traballadoras das residencias privadas (que son a gran maioría en Galicia) sofren unha realidade laboral de salarios reducidos, xornadas de traballo moi extensas e escaso descanso entre quendas, unha situación que se fixo evidente nas durísimas semanas que viviron coa chegada da Covid-19, pero que xa viña sendo denunciada dende había anos.A pandemia de coronavirus e o gran número de contaxios e falecementos que se produciron nas residencias de maiores puxo o foco sobre as condicións laborais do persoal estas instalacións"Os problemas nas residencias de maiores veñen de moi atrás e a Xunta sempre mirou para outro lado", dicía nesta entrevista Sonia Jalda, voceira de Trega (Traballador@s de Residencias de Galicia). "O problema é que non cumpren o convenio do sector: róubannos nos salarios das noites, róubannos nos salarios dos domingos, róubannos nas compensacións de festivos. O convenio fala de 40 horas á semana e dun descanso ininterrompido de 36 horas, pero hai xente traballando 10 días seguidos ou 70 horas á semana", engadía. Unhas críticas que tamén realizaba Francisco Xose Bernárdez Solla, presidente da asociación Vellez Digna e secretario de REDE, que agrupa a usuarios de residencias e as súas familias. A sentenza do TSXG revela que moitas residencias estaban a incumprir o descanso do persoal recollido no convenio colectivoAs denuncias sindicais fan referencia ao incumprimento do convenio colectivo do sector, en concreto de artigos coma o 38, que regula o goce dos días festivos, ou o artigo 29, que garante un descanso mínimo semanal dun día e medio (36 horas) sen interrupción. O convenio foi asinado no ano 2018 polos principais sindicatos e pola Asociación Galega de Residencias de Terceira Idade (AGARTE), e a Asociación Galega de Residencias e Centros de Anciáns de Iniciativa Social (ACOLLE), demandadas polos sindicatos por incumpriren o convenio.Milleiros de traballadores e traballadoras ven recoñecido xudicialmente o dereito a un descanso mínimo de 48 horas continuadas.CC.OO, CIG e UGT levaron esta denuncia ante a xustiza e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de darlles a razón nunha sentenza que declara o dereito dos traballadores e traballadoras das residencias privadas da terceira idade a gozaren de maneira real e efectiva, diferenciada e independentemente, dos descansos semanal (día e medio ininterrompidos) e diario (doce horas), sen que de ningún xeito poidan solaparse. Deste xeito, milleiros de traballadores e traballadoras ven recoñecido xudicialmente o dereito a un descanso mínimo de 48 horas continuadas. Ata agora boa parte do persoal só tiña garantido un descanso de 36 horas entre quenda e quenda.A mesma sentenza recoñece o dereito a que os festivos traballados, en caso de que non sexan retribuídos economicamente, sexan compensados con 1,3 xornadas laborais de descanso no suposto de acumulación coas vacacións anuais ou no caso de desfrute independente ou acumulado inferior aos 12 días festivos, cumprindo así co establecido no devandito artigo 38 do convenio colectivo. "Todos os traballadores teñen dereito a gozar deses días de festa, e se por necesidades da empresa non poden facelo deben serlles compensados", sinala o ditame"Todos os traballadores, sexa cal for a duración do seu contrato, teñen dereito a gozar deses días de festa, e se por necesidades da empresa non poden facelo deben serlles compensados", sinala o ditame, que lembra que "non é de recibo que sobre a base do seu propio incumprimento, se pretenda agora que a traballadora se vexa privada do seu dereito a que o descanso compensatorio coa súa porcentaxe adicional sexa ininterrompido e do seu dereito a que ese descanso se proxecte sobre a duración anual da xornada".A "vulneración dos dereitos laborais" do persoal das residencias é un dos argumentos que motivan as marchas cívicas convocadas para o vindeiro 11 de xuño nas sete cidades galegasOs sindicatos celebran a sentenza, e CCOO subliña que "leva anos batallando polo cumprimento íntegro do artigo 38 do convenio colectivo das residencias privadas da terceira idade de Galicia", destacando que agora ve "como o alto tribunal galego lle dá a razón". Así mesmo, o sindicato critica as patronais polas "tentativas reiteradas" de suspender o xuízo, mesmo chegando a formular promesas "inconcretas" de negociar as condicións de traballo nun novo convenio.A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia insta as patronais das residencias privadas da terceira idade a aplicaren a sentenza e sinala que "é unha dura derrota para as pretensións das patronais". "Cremos que non se pode demorar esta compensación, xa que os traballadores e traballadoras acumulan un enorme cansazo debido á xestión da pandemia", di o sindicato.A Federación de Sanidade de CCOO de Galicia insta as patronais das residencias privadas da terceira idade a aplicaren a sentenza e pide a mediación da Xunta para que as empresas cumpran co ditame xudicialAs dúas asociacións demandadas, que no proceso reclamaban unha interpretación distinta do convenio colectivo, que non foi aceptada polo tribunal, poden recorrer este ditame ante o Tribunal Supremo. No caso de que finalmente as patronais presenten recurso, "entenderiámolo como unha estratexia máis para dilatar o conflito e obstaculizar a súa resolución, prexudicando os traballadores e as traballadoras", di CC.OO., que pide a mediación da Consellaría de Política social para que o departamento autonómico "inste as empresas a executaren a sentenza".A "vulneración dos dereitos laborais" do persoal das residencias é un dos argumentos que motivan as marchas cívicas convocadas para o vindeiro 11 de xuño nas sete cidades galegas, que queren servir de homenaxe ás persoas falecidas polo coronavirus e tamén como reivindicación duns "servizos sociais plenamente públicos, asequibles, de calidade e de proximidade". Os colectivos convocantes lembran que estas denuncias da situación laboral foron "respondidas con desidia, inacción ou connivencia coas directivas das empresas polos órganos de inspección e vixilancia da Xunta".
NOS_25666
O presentador de "La Tuerka" confirmou a súa incorporación como consultor e recoñeceu estar xa en coordinación con EU. Anova descoñecería esta fichaxe.
Diversas fontes apuntaban desde hai días que Esquerda Unida tería fichado a Pablo Iglesias Turrión, como coordinador da equipa de asesor@s de campaña da Alternativa Galega de Esquerdas. Equipa que podería atinxir até dez persoas. O propio Pablo Iglesias confirmou a Sermos Galiza que fará parte desa equipa, malia que reduciu a súa participación a consultor e non a coordinador dela. Iglesias Turrión asegurou que xa se está a coordinar co gabinete de comunicación de Esquerda Unida e que proximamente fará o propio co de Anova, a outra pata da coalición. Preguntado a respecto de se a súa fichaxe para as eleccións galegas foi unha decisión de IU a nivel federal, Iglesias asegurou que os contactos que mantivo foran sempre coa federación galega, concretamente coa súa coordinadora, Yolanda Díaz. O responsábel de comunicación de EU, César Santiso, rexeitou facer declaracións ao respecto, afirmando estar á espera de que se celebrase a Comisión Coordinadora de AGE que terá lugar esta terceira feira. Todo parece apuntar que a fichaxe confirmada sería aínda descoñecida a esta altura por Anova. Tamén se apuntou a posibilidade de que a produtora madrileña que dirixe Pablo Iglesias, Producciones Con Mano Izquierda, puidese realizar os audiovisuais electorais da coalición, dado que xa produciron outros materiais para Izquierda Unida. Nese sentido, Iglesias Turrión manifestou non ter nada pechado e considerou que os anuncios poderían ser realizados por algunha empresa galega. Profesor en Madrid e presentador de La Tuerka Pablo Iglesias Turrión, de 33 anos, é profesor de Ciencia Política na Universidade Complutense de Madrid e membro do Consello Executivo da Fundación Centro de Estudos Políticos e Sociais (CEPS). É presentador do programa "La Tuerka" que se emite na canle madrileña Tele K. Asemade, é colaborador en diferentes medios de comunciación, entre eles o xornal Público. Politicamente asociáselle á Izquierda Unida e a movementos sociais de esquerda. EU fala por AGE no twitter Todo parece indicar que @ community manager de Esquerda Unida e o da Alternativa Galega de Esquerda (coalición entre EU e Anova) son a mesma persoa. Así se deduce do feito de que esta mañá ás 9:07 as contas oficiais de twitter de AGE (@alternativagz) e EU (@esquerdaunida) publicasen simultaneamente o mesmo chío. "Bos días #Galicia" rezaba a mensaxe.
NOS_27200
Presenta unha "folla de ruta de urxencia" para a organización e intervención social do independentismo.
Causa Galiza volveu marchar como tal pola capital do país neste 25 de Xullo, unha cita á que non puido acudir esta organización en 2016 por mor da 'ilegalización' decretada pola Audiencia Nacional española a raíz da 'Operación Jaro'. Varios centos de persoas (perto de 400 segundo a organización) tomaron parte na mobilización, que decorreu baixo o lema 'Pola Independência nacional. O futuro é nosso', aíndo da Alameda compostelán e finalizando no Praza do Toural. Ao longo da marcha, as manifestantes corearon berros e consignas a prol da independencia de Galiza, pola liberdade dos presos independentistas e contra a presenza das forzas de seguridade españolas. Unha bandeira galega levada por seis persoas abría a manifestación. Causa Galiza defendeu a independencia nacional como a única ferramenta que garante facer fronte á situación que vive Galiza, que cualifican de "pauperizaçom, espólio e assimilaçom". No manifesto, lido ao cabo da mobilización, sinalouse o exemplo catalán como proceso que permite evidenciar dous feitos: Un, que a aposta en elevar teitos competenciais e gañar máis autonomía"fai parte já da política-fiçom". Outro, que confiar nunha 'democratización' do Estado español de cara a recoñecer as nacións que fan parte del é unha "fantasía". Ante un marco autonómico que considera "morto", Causa Galiza apela a traballar para a organización e intervención social do independentismo. Manifesta a súa vontade de desenvolver a loita política e social nos limites da legalidade e denuncia o intento do Estado de "envolver a militáncia independentista numha política de excecionalidade policial, penal e mediática". Folla de ruta Causa Galiza expuxo o que denomina unha "folla de ruta de urxencia" que implica, sinala, tres tarefas principais: consolidar organizativamente CG, que considera xereme do futuro proxecto independentista; desenvolver unha intervención socio-política planificada e que abranga novos campos (municipal); e a posta a ponto dunha estatexia independentista para as vindeiras décadas. Nestas tarefas chama a participar "activamente" a todos os independentistas. "O Independentismo Galego nom existe para resistir, ou fazer frente à repressom: nascemos e existimos para construir os meios e as condiçons que nos permitam liberar esta naçom do jugo espanhol".
NOS_9406
A Xunta afronta a recuperación económica cun investimento inferior ao de hai 12 anos. O orzamento "máis alto da historia", segundo dixo Núñez Feixoo, fica 1.695 millóns por baixo do último elaborado polo Goberno de PSdeG e BNG, que ascendía en 2009 a 11.426 millóns, que equivalerían hoxe, atendendo o IPC, a 13.322 millóns.
O Goberno galego presentou o proxecto de contas da Xunta para 2022 afirmando que son as "máis altas da historia". O presidente, Alberto Núñez Feixoo, e o novo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, revelaron na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que a Galiza terá para o ano que vén un orzamento non financeiro de 11.627 millóns de euros. Porén, o poder da matemática desmonta mais unha vez o clásico slogan "das cifras máis altas da historia". De feito, o orzamento non financeiro do ano 2009, o último elaborado polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG na Xunta, e antes por tanto da chegada de Alberto Núñez Feixoo a San Caetano, alcanzaba os 11.426,4 millóns de euros (o total do orzamento consolidado naquel ano alcanzou os 11.792,8 millóns). Se á primeira cifra, a do orzamento non financeiro de 2009, se lle aplica a suba do Índice de Prezos de Consumo (IPC) desde outubro de 2009 a setembro de 2021 (hai 16,6% de variación do IPC na Galiza, lixeiramente por riba da media estatal, que é de 16,2%) os orzamentos de 2009 equivalerían na actualidade a 13.322 millóns de euros, é dicir, 1.695 millóns máis que as contas da Xunta para 2022. Desta maneira, o Executivo galego pretende afrontar a recuperación económica con 1.695 millóns de euros menos dos que se orzaron en 2009. Capacidade de gasto para o ano 2022 Feixoo e Corgos celebraron esta segunda feira, 18 de outubro, que o novo orzamento "rompa" o teito de gasto non financeiro estabelecido para o ano 2022 (11.571 millóns de euros) grazas ás achegas que recibirá a Galiza e "que non se coñecían" en agosto, cando foi aprobado polo Parlamento. Efectivamente, as novas contas superan en 1.204,8 millóns o teito de gasto do ano que vén, mais fican uns 20 millóns por baixo do teito estabelecido no exercicio 2021 (11.644 millóns). De feito, o teito aprobado para 2022 é 93 millóns de euros inferior ao de 2021. Por outra banda, o orzamento non financeiro anunciado para o ano que vén (11.627 millóns) si supera o actual (11.563 millóns) sen atender claro está ao engadido de 101 millóns en crédito para financiamento empresarial que se incorporou ás contas de 2021 (101 millóns a maiores). Aínda fica pendente coñecer nos vindeiros días a canto ascenderá a parte financeira para o ano que vén. Gasto social Na rolda de prensa Feixoo cifrou en "máis de sete" de cada 10 os euros que as contas públicas dedicarán a financiar o gasto social.Segundo afirmou, as partidas para esta materia alcanzan 8.660 millóns, cun incremento de 610 respecto aos anteriores orzamentos: 269 dedicados ao reforzo en sanidade (que se sitúan nun total de 4.583 millóns), 179 á educación (en total 2.695 millóns), 126 ás políticas sociais (987 en total) e 37 ao emprego (395). Son as contas "da reactivación e a recuperación", aseverou o titular da Xunta, que se valeu dunha expresión do recentemente falecido Valeriano Martínez, anterior conselleiro de Facenda, ao falar do "crecemento san" que supón reducir a partida destinada aos intereses da débeda até os 74,1 millóns. É, reivindicou Feixoo, "a única que baixa" de todo o orzamento -en 2021 alcanzaba 99,7 millóns-. De "realista e prudente" cualificou o presidente o cadro macroeconómico, que revisa á alza o crecemento para este exercicio, até 6%, o mesmo que estima para 2022 tras unha baixada de 8,9% en 2020. En canto ao desemprego, sitúao en 12,2% a finais de ano e en 11,7% ao acabar 2022. Por capítulos de gastos, os investimentos reais ascenden no proxecto do exercicio que vén a 1.441,9 millóns, 10,3% máis e as transferencias de capital sitúanse en 1.12,5 millóns, polo que o total de gastos de capital ascenden a 2.554,5 millóns, 14,6% máis.No caso do emprego público, Corgos subliñou partidas de 84 millóns para facer efectivo o incremento salarial de 2% ao funcionariado. Sinalou a previsión de dotación de 1.330 prazas nos cadros de persoal das institucións sanitarias públicas, entre as que a Xunta resalta 501 prazas de persoal facultativo, 479 prazas de enfermaría e 162 para persoal residente en formación. No ámbito do financiamento municipal, o novo proxecto de contas contempla 488,6 millóns, deles 147 correspondentes a mecanismos de cooperación local e 341,6 a outras transferencias a entidades locais. É "a maior achega da historia para as entidades locais", segundo a Xunta. Por último, no relativo a universidades, o plan de financiamento estará dotado de 469 millóns de euros, fronte aos 444 de 2021. As contas de Martínez, a debate O proxecto de orzamentos para 2022 entrará na cuarta feira, 20 de outubro, no Parlamento galego para a súa tramitación coa previsión de que estean en vigor a 1 de xaneiro. Son as contas "de Valeriano Martínez e o seu equipo", dixo o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, con referencias emocionadas ao falecido titular de Facenda. Igualmente, o seu sucesor, o xa ex director xeral de Orzamentos, Miguel Corgos, que esta seguda feira xurou o cargo como titular de Facenda, tivo palabras de recordo para Martínez, que morreu no seu despacho o pasado 6 de outubro. Os orzamentos estaban "finalizados" e só houbo que facer "algúns axustes", destacou. Na tarde deste 18 de outubro, Feixoo xunto ás conselleiras e conselleiros e o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, entre outros representantes políticos, participaron nunha misa por Martínez na Catedral de Santiago de Compostela.
NOS_7358
O secretario nacional de Ensino, Suso Bermello, avaliou na Comisión da Covid-19 a xestión educativa por parte da Xunta e, en particular, da Consellaría de Educación.
Melloraría de forma substancial a xestión da pandemia no ámbito educativo galego en caso dun novo confinamento? Estaríase hoxe en condicións de reverter a situación que se deu no terceiro trimestre do curso pasado e diminuír a fenda dixital e social que destapou a Covid-19, ou repetiríanse os erros? Ao responder estas preguntas e analizar o papel da Administración educativa galega fronte á pandemia, así como as necesidades deste ámbito de cara a un futuro marcado pola incidencia do virus ocupou o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, a súa intervención hoxe na comisión sobre a reactivación económica, social e cultural da Galiza que se desenvolve no Parlamento. Aos seus ollos, o percorrido dos últimos oito meses, malia os cambios no equipo da Consellaría de Educación, incluído o seu titular após as eleccións de xullo, non convidan ao optimismo, polo mantemento dunha doutrina que cualificou como do "custo cero" e explicou pola submisión da "presencialidade segura" á "contención orzamentaria", cun percorrido de "bandazos, incoherencias e cambios de criterio" por parte da Administración galega. Dela, Bermello afeou tamén a "unilateralidade e a falta de negociación constante" na toma de decisións sen consulta previa e o "desprezo" cara á representación do profesorado e á comunidade educativa. A intervención tivo lugar nunha xornada dedicada ao ensino na que a Consellaría de Sanidade daba conta de 1.235 contaxios activos nas aulas, con suspensión da actividade en 53 delas. "Este tempo confirmou a presencialidade como elemento fundamental do proceso de ensino e de aprendizaxe", salientou o portavoz da CIG-Ensino, quen alertou tamén das desigualdades que destapou o confinamento da pasada primavera, como son a "fenda dixital e a fenda social, agrandados pola teledocencia". Para exemplificar o papel da Consellaría, naquela data con Carmen Pomar á fronte, Bermello tirou dos datos da enquisa realizada polo seu sindicato, con máis de 6.000 participantes, que apuntaban a unha sensación de abandono por parte do persoal docente, que en 95% das respostas definiu como "insuficiente" a actuación da Xunta e en 66% dixo non ter recibido orientación ningunha para o paso á teledocencia. O inquérito, que segundo a CIG deixa patente tamén o "duplo castigo" que sufriu o alumnado con diversidade nesta etapa, constatou ademais as limitacións de comunicación entre profesorado e alumnado no confinamento –61% das respostas así o indican– ou as dificultades de seguimento desta modalidade educativa, ao destapar que nunha de cada catro aulas o alumnado foi menor a 30%. "Demasiada burocracia" "A crise evidenciou e reforzou tamén o papel do profesorado no proceso educativo e sacou á luz as deficiencias dun modelo con demasiada burocracia que resta coordinación, formación e capacidade de traballo en equipo", advertiu Bermello. Así mesmo, apuntou a principais eivas posteriores ás eleccións galegas, momento que serviu á Xunta para lanzar o primeiro protocolo de adaptación ao contexto Covid cara ao novo curso: incumprimento de acordos sobre seguridade sanitaria como o distanciamento interpersoal de 1,5 metros na aula –conseguido a posteriori para Secundaria, convocatoria de folga mediante–, baixada das exixencias de prevención por criterios "economicistas", falta de diálogo, insuficiencias na dotación de material de protección, "caos" no seguimento de casos e "opacidade" na súa xestión, aumento da burocratización ou un plan de ensino virtual presentado dous meses despois do inicio do curso e que deixa "todo pendente das direccións e do profesorado". "As eivas do comezo da crise estendéronse estes meses e seguen marcando a realidade", censurou o comparecente, que debullou unha serie de "liñas a futuro", nas que destacou a rebaixa das ratios na aula, medidas para contar cunhas "aulas seguras" e o cumprimento das normas de saúde laboral do profesorado, así como unha maior capacidade de coordinación didáctica dos equipos docentes e transparencia nos datos epidemiolóxicos nas aulas e un estudo pormenorizado dos mesmos, "para ter conclusións de se as medidas foron un acerto ou unha temeridade" e tomar nota cara ao futuro.
PRAZA_3096
"En el sobre de matrícula meteré una casilla para que los padres elijan el idioma de las asignaturas", prometera Alberto Núñez Feijóo como candidato do PP á Xunta antes das eleccións de 2009. Cando aprobou o decreto, a 'casilla' tornara nunha enquisa vinculante ás familias do alumnado de Ensino Infantil que acabou tombando o Tribunal Superior
"En el sobre de matrícula meteré una casilla para que los padres elijan el idioma de las asignaturas troncales". A poucos días das eleccións galegas de 2009 o daquela líder da oposición e candidato do PP á Presidencia, Alberto Núñez Feijóo, expresábase deste xeito nunha entrevista con El País para resumir os seus plans sobre a lingua galega no ensino. Reiteraba a mesma idea que xa expuxera noutra entrevista con Federico Jiménez Losantos e que o programa do PPdeG, non obstante, matizaba coa promesa de "escoitar, a través de procedementos regrados, a opinión dos pais en relación coas materias que se impartirán en cada idioma"."En el sobre de matrícula meteré una casilla para que los padres elijan el idioma de las asignaturas", prometera Alberto Núñez Feijóo como candidato do PP á Xunta antes das eleccións de 2009Con estas promesas o actual presidente da Xunta asumía a esencia do argumentario da asociación daquela denominada Galicia Bilingüe, que recollera o testemuño de reivindicacións contrarias ás medidas de normalización lingüística do galego antes presentadas baixo nomes como Tan gallego como el gallego. Estes colectivos, cos que a cúpula do PP galego se manifestou en vésperas das eleccións ao Parlamento do ano 2009, esixían á Xunta que permitise ás familias do alumnado decidir o idioma en que eran impartidas as materias escolares e excluír o galego se pais ou nais así o determinaban. Os de Feijóo responderon lanzando unha promesa que, no lingüístico, é notablemente equiparable á cuestión que nos últimos días acapara titulares no ámbito do Estado: a esixencia de intervención paterna no ensino que o partido de extrema dereita Vox pon sobre a mesa como condición para aprobar os orzamentos alí onde é indispensable para completar maiorías de dereita xunto a PP e Ciudadanos, con Murcia como principal expoñente ata o momento. No seu caso, a casilla ten como pretendido obxectivo que as familias poidan impedir, mediante a entrega dun documento, a asistencia do alumnado a determinadas actividades como formación en materia afectivo-sexual. Denomínana pin parental, equiparándoa así lingüisticamente aos mecanismos que permiten bloquear cun contrasinal, en dispositivos electrónicos, o acceso de menores a contidos para persoas adultas.O veto parental de Feijóo bateu cos tribunaisCando, poucos meses despois de lograr a Presidencia da Xunta, Feijóo anunciou os trazos xerais do que presentou como "decreto do plurilingüismo", a súa promesa xa non era esa "casilla en el sobre de matrícula", senón repetir unha enquisa ás familias como a que a Consellería de Educación realizara nos meses previos e cuxos resultados íntegros non divulgara. O plan, explicara Feijóo, consistía nunha "consulta que se realizará cada catro anos e que orientará a repartición horaria" de materias entre linguas.Cando aprobou o decreto, a 'casilla' convertérase nunha enquisa vinculante ás familias do alumnado de InfantilCando, en maio de 2010, viu a luz o texto íntegro do decreto, a enquisa estaba presente, aínda que restrinxida ao ensino infantil. Foi neste punto no que entraron en xogo os tribunais. Entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística, Queremos Galego e CIG-Ensino, así como a Real Academia Galega, STEG e CC.OO. recorreron o decreto ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En varias sentenzas, o alto tribunal galego rexeitou frear o conxunto da norma, pero si a controvertida enquisa e outros aspectos vinculados á mesma.O TSXG sentenciou que a Xunta non podía "abdicar" das súas competencias no ensino para "someter a votación un aspecto tan fundamental como a lingua"Concretamente, o TSXG determinou que a Xunta estaba a "vulnerar a configuración do dereito fundamental á educación" recollido na Constitución, posto que "os poderes públicos teñen encomendada a programación xeral do ensino, de cuxa potestade a Administración (...) non pode abdicar, sometendo a votación un aspecto tan fundamental como a lingua". A elección familiar, matizaba, restrínxese unicamente á decisión de se o alumnado cursa ou non a materia de Relixión. Despois daquelas sentenzas, que tamén suprimían o artigo que outorgaba "liberdade ao alumnado para utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia", con independencia do idioma da materia, a Xunta embarcouse nunha batalla legal e, ao tempo, continuou distribuíndo enquisas lingüísticas ao alumnado de infantil. Pero o seu resultado, afirmou, xa non sería "vinculante". "Seguiremos facendo as consultas, pero non producen efectos legais porque a sentenza o impiden, pero será determinante para que nós adoptemos unha decisión ou outra", asegurara o presidente da Xunta.
NOS_23392
Na lexislatura pasada, o PP elaborou o borrador para mudar a Lei de 1997 que abrazaba varias peticións da Federación galega de caza, entre elas a da idade.
Coa tramitación da nova lei que rexerá a actividade cinexética, a Federación galega de caza á carga e encetaron xa reunións cos grupos parlamentares co obxectivo de rebaixar a idade que permite esta práctica dos 16 aos 14 anos. Denúnciao a asociación animalista Libera, quen informa de que, para alén de rebaixar a idade, o colectivo de cazadores suxire tamén que a distancia mínima de seguridade entre vivendas e as zonas de adestramento debe pasar dos 500 aos 100 metros. Continuando coas pretensións da Federación, propoñen a concesión de autorizacións especiais para cazar con armas. É dicir, tal e como alerta Libera, o que queren é "usar fogo real a unha distancia escasa de seguridade". Hai máis. Os cazadores queren que a nova lexislación prohiba "calquera práctica que entorpeza o normal desenvolvemento das cacerías", tornando ilegais as accións que diferentes colectivos ecoloxistas e animalistas veñen desenvolvendo en contra desta práctica. Por derradeiro, pretenden tamén que a falta por cazar en terreos vedados pase de 'moi grave' a 'leve' e, en consecuencia, que a sanción económica derivada quede en 100€. Actualmente está nos 6.0001€. As medidas son cualificadas por Libera de "barbarie lexislativa". Na lexislatura pasada o PP intentou xa abrir a veda Porén, non hai moitas novidades a respeito do borrador que o PPdG propuxo na anterior lexislatura para modificar a Lei de 1997, mais que finalmente non chegou a entrar no Parlamento para o seu debate. O texto, cuxa elaboración custou 49.000 euros, era, en esencia, o mesmo que contempla a norma do 97, mais maquillada ao gosto do cazador e reducindo o papel da Xunta á simple tramitación de permisos. "A oposición social e do movemento ecoloxista foi tal que na consellaría determinaron que, de súpeto, xa non era unha lei prioritaria", ironiza Fins Eirexas, secretario executivo de Adega. Esta asociación chegou a redactar unha contraproposta de Lei, ao entender que a achegada polo Goberno galego supuña entregar de facto a xestión da actividade cinexética á Federación galega de caza. "Era unha lei feita por e para os cazadores", denuncia Eirexas, explicando que os prazos de cesión dos terreos para o aproveitamento cinexético se situaban nos dez anos, falando mesmo de cesións indefinidas. De a persoa titular do monte non acceder, tería que afrontar os gastos de sinalización da finca. Os grupos ecoloxistas ficaban eliminados dos comités provinciais e do comité nacional de caza, de onde tamén desaparecía a voz das universidades e d@s profesionais da investigación. Pretendíase a autorización de competicións "fóra do periodo hábil, o que na practica suporía estar a cazar todo o ano", e abría os espazos naturais protexidos á libre declaración de explotacións cinexéticas comerciais de caza maior. En resumo: "unha encomenda ad hoc dos cazadores" que pretendía rebaixar até os 14 anos a idade mínima para poder practicar este 'deporte'. A pretensión repítese nesta lexislatura.
NOS_52762
Música, teatro, actuacións... para recadar fondos con destino ao programa 'Vacacións en Paz'.
O Auditorio da feira internacional de Galiza en Sulleda acollerá o 24 e 30 deste mes de abril o IV Mes cultural de axuda ao pobo saharaui, que organzia Solidariedadegalega co pobo saharaui. A finalidade da iniciativa é recadar fondos con destino ao programa 'Vacacións en paz' , no que familias galegas acollen a nenos e nenas refuxiados saharauís durante os meses de xullo e agosto. A importancia do programa radica en afastar os nenos dun clima de inestabilidade, realizar as revisións médicas , coñecer outras culturas e a aprendizaxe de novos idiomas. Programa: Domingo, 24 de abril, ás 19:00 horas, no Auditorio da Feira Internacional de Galiza en Silleda: concerto- teatro, para público familiar, de Mamá Cabra, presentando o seu espectáculo "15 primaveias". O prezo da entrada anticipada ten un custo de 3 euros e na billeteira, 5 euros. Sábado día 30 de abril, ás 22:00 horas: Festival Solidario por un Sáhara Libre, presentado polo músico e escritor Xurxo Souto, e contando coas actuacións dos grupos Pelepau, Pandeiromus, Cuarteto Caramuxo e Coanhadeira. De remate, foliada. O prezo da entrada anticipada ten un custo de 5 euros e na billeteira, 8 euros. Puntos de venta de entradas: Silleda: Salón de Té, Cafetería Maripepa, Café- Bar Pukará e na Casa do Concello. Bandeira: Café- Bar Arume, A Taberna do Músico. Lalín: Café de Mili, A Tasca. Rodeiro: Pub Quirós. Vila de Cruces: Cafetería Galicia. Agolada: Ramón- tenda.
NOS_34551
O Apóstolo de Fernando Cortizo é un dos dezanove filmes que a Academia de Hollywood valora para finalistas ao Óscar de animación. Canda ela, grandes éxitos e cintas de altísimos orzamentos como Avións, Os Pitufos 2, Turbo, Gru, Mostros Universiy ou Rio.
As grandes compañías de animación dominan a carreira a un dos Óscar máis codiciados no mercado americano mais na listaxe final conseguiu colarse "O Apóstolo" de Fernando Cortizo, o primeiro filme europeo en utilizar a técnica de "stop-motion". A competencia é dura e canda a proposta de O Apóstolo aparecen algunhas das películas que máis recadación acadaron nos últimos tempos como Turbo, Avións ou Os Pitufos 2. O 16 de xaneiro coñeceranse as finalistas á categoría. O Apóstolo foi a grande trunfadora nos Premios Mestre Mateo con seis premios, entre eles, o de mellor filme. Foi tamén finalista nos Goya. A película de Cortizo obtivo tamén o primeiro premio no 11º Festival de Cinehorizontes de Marsella, entrou na sección oficial do Festival Internacional de cine de Moscú e recibiu o Primeiro Premio no Festival EXPOTOONs de Bos Aires, o festival de animación máis importante de Latinoamérica. Tamén foi recoñecido polo xurado do público do prestixioso Festival de Cine de Annecy. Carlos Blanco, Luis Tosar, Celso Bugallo, Isabel Blanco, Jose Manuel Olveira 'Pico', Geraldine Chaplin, Jorge Sanz e Paul Naschy poñen as voces da película dirixida polo compostelán Fernando Cortizo e son en boa parte modelos dos personaxes de animación do filme.
NOS_46423
De título lírico e liña clara, "graficamente impecable", e trazo autobiográfico. Así é Canción para afundir flores no mar, a obra gañadora da décimo terceira edición do premio Castelao de banda deseñada, da autoría de Oliver Añón (Barcelona, 1982).
"Destaca a capacidade do autor de aproveitar as posibilidades do medio a través da narración visual", sinala a nota remitida pola Deputación da Coruña, convocante do galardón. Añón, ilustrador e animador, construíu "unha trama principal na que se entrelazan pequena historias con personaxes particulares que deixan ver un relato con presenza autobiográfica". O autor valeuse dun lapis electrónico sobre pantalla para realizar Canción para afundir flores no mar. "O acabado semella o resultado do uso de tinta china", sinala o ente provincial, que reuniu no xurado "profesionais da banda deseñada" como María del Carmen Moreu Bibian, José Mato Fondo, Sara Prieto Puy, Héctor Real Arregui e Beatriz Lema -gañadora da pasada edición- e mais a vicepresidenta da institución Goretti Sanmartín de presidenta e a xefa do servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat.. Canción para afundir flores será a primeira obra en formato libro de Oliver Añón. Nado en Barcelona nunha familia emigrada, só cun ano de idade regresou á Coruña. Despois de se formar en Galiza, traballou en Catalunya para produtoras de animación e diversas axencias de publicdade e e televisión. En 2015 volveu á Coruña, onde reside e traballa como freelance. O premio Castelao está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra.
NOS_836
Até o domigno 10 de novembro pode visitarse en Vigo, fronte ao MARCO, a exposición fotográfica As outras luces.
Antes de que os milleiros de lumens das luces de Nadal de Caballero deixen sen visión Vigo, outras luces atópanse na rúa Príncipe. Fronte ao MARCO, unha exposición fotográfica organizada pola revista cultural A Movida reune as faces de diferentes persoas do mundo da cultura ligadas coa cidae: Antonio Durán 'Morris', Marta Larralde, Ledicia Costas, Xosé Manuel Méndez Ferrín, Silvia Superstar, Patricia Moon, María Xosé Queizán, Eladio Santos, Julián Hernández, Silvia Penas, Lupita Hard e Kaixo. Todas elas posan con luces LED. A Movida, que naceu co obxecto de visibilizar a cultural local, «pretende chamar a atención sobre as verdadeiras luces de Vigo: os nosos artistas», declaran. «Cremos que se de algo se debería presumir é da nosa cultura. Tirar de enriba os complexos da cidade obreira e sentir orgullo de todo o que aquí nos fai medrar e contribuír ao noso patrimonio. Erguer a cabeza cada vez que escoitamos falar de calquera persoa que no cinema, na danza, no debuxo, na literatura, na pintura ou no teatro leven por bandeira o nome de Vigo», explican desde A Movida. Así, as outras luces do Vigo estarán acesas, un chisco menos que as locais, até o domingo 10 de novembro, cando se instalarán as luces de Nadal do Concello.
NOS_2635
Colectivos sociais insisten en que de poña fin ao oligopolio eléctrico, controlado por 3 empresas e nas que Iberdrola controla o 40%.
Iberdrola, como a banca, sempre gaña. Nos primeiros seis meses deste ano, o beneficio neto lambeu os 1.500 millóns de euros. Foron exactamente 1.457 millóns, un 3,3% menos que no mesmo período do ano pasado, un 2015 no que a empresa fixo 265.175 cortes de luz por impagamentos. Mais ese lixeiro descenso nos beneficios responde, como sinala a CNMV (Comisión nacional do mercado de valores) pola ausencia de extraordinarios que si houbo en 2015: 220 millóns de euros pola reversión dunha previsión fiscal. O propio presidente de Iberdola, Sánchez Galán, recoñeceu esta semana que a compañía prevé un aumento do seu beneficio neto para 2016 de dous díxitos, mellorando así as previsións para o exercicio en torno ao 6 por cento. Sostén que os factores que no primeiro semestre produciron esa pequena mingua nos beneficios devén de situacións que "se van diluir ao longo do ano". O resultado bruto de explotación (ebitda) foi entre xaneiro e xuño de perto de 3.900 millóns de eiros, un 1,4% máis que no mesmo período de 2015. Mentres, os ingresos descenderon un 7.6% até se situar nos 14.898 millóns de euros. Peticións Diferentes colectivos e asociacións teñen reiterado perante Iberdrola unha serie de peticións e propostas, como a de que finiquite as 'portas xiratorias' e no seu consello de administración non dea cabida a cargos políticos ou da banca. ADICAE (Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros), ANAE (Asociación Nacional de Aforro e Eficiencia Enerxética) ou ARCE (Asociación Rexional de Consumidores de Enerxía) avogan por poñer fin ao oligopolio existente no sector eléctrico, controlado por tres empresas, entre elas Iberdrola cun 40%.
QUEPASA_805
Este domingo 15 de decembro os establecimentos de Baio póñense de Nadal, cunha xornada de apertura ata as 18:30. Un bo xeito de promocionar as compras no comercio local.
Coa chegada do Nadal, a Asociación de Empresariso da Comarca de Soneira tamén quixo facer a Carta para recibir regalos nestas datas, coa particularidade de que o remitente non é nin Papá Noel nin os Reis Magos, senón que sería nin máis nin menos que Abel Caballero, actual alcalde de Vigo. Dende a Asociación afirman que se dirixen a el ao consideralo como "o Rei Mago e o que calquera quixera ter" e que se declaran "seguidores seus". Na carta que lle escribiron admiten que foron "bos" e que se esforzaron "por levar a cabo moitas ideas co fin de reactivar a economía" dos seus socios, e por isto, lle piden "á súa maxestade de Vigo" que se "se atopase falto de espazo para colocar algún dos seus arcos de luces, pinos de Nadal, figuras de nacemento, unha noria, pista de xeo, ou calquera outro elemento decorativo, estaremos encantados de facerlle sitio para lucilo durante a nosa campaña de Nadal en Baio". A resposta de Caballero non se fixo esperar e indicou: "encantoume a vosa carta, tan cercana e tan afectuosa. Agradézovos o xesto e deséxovos o mellor pero...lamentablemente non nos sobra ningún elemento decorativo", afirmou o alcalde da cidade olívica. Contestación de Abel Caballero á Carta da Aociación de Empresarios da Comarca de Soneira. A pesares de non conseguir este ano o agasallo que pedía na súa Carta, a Asociación de Empresarios da Comarca de Soneira invita tanto ao alcalde de Vigo como ao resto da xente a pasar por Baio nestas datas tan especias, xa que, como eles mesmos expresan: "non temos norias, pero si un comercio e hostalaria de calidade , proximidade e libre de peaxes!". Deste xeito, teñen preparado varias iniciativas para fomentar o comercio local nestas datas: Papá Noel sortea a devolución do 10% das túas compras Do 12 ó 24 de decembro. Merca nos comercios colaboradores. Garda os teus tickets e deposítaos nos buzóns co nome, apelido e teléfono. Máximo do importe da devolución 50 €. 15 de decembro: Feira larga ata as 18 horas e tirada de globos. Comercios abertos de xeito ininterrompido, tirada de globos con premios e descontos directos, visita de Papá Noel e moitas máis sorpresas. Os Reis magos mercan no comercio local Do 26 ó 4 de xaneiro. Escríbelles unha carto ós Reis Magos do que máis desexas de cada comercio. Deposita as cartas nos buzóns de cada tenda e un Rei Mago escollerá 2 regalos (para un adulto e un neno cun importe máximo de 100 € cada regalo). Domingo 5 de Xaneiro Comercio Aberto Comercios abertos de 10:00 a 14:00 horas e de 15:30 a 19:00 horas Cabalgata, xogos infantís e moitas máis sorpresas.
NOS_19449
Cumprirá a outra condena, imposta en 2007 e cuxo indulto fica aínda sen resolver, nun réxime de semi-liberdade no centro de inserción social Carmen Avendaño. O Goberno español conmutou a condena de 2010 por unha multa de 1.440 euros, que deberá pagar en dous anos a razón de dous euros ao día
O vigués David Reboredo, condenado a sete anos de cárcere por vender dúas papelinas de heroína que sumaban entre ambas 400 miligramos de substancia psicoactiva, vén de abandonar a prisión da Lama, en Pontevedra, após o indulto parcial que lle foi concedido polo Goberno español para substituír unha das dúas penas impostas por unha multa. Saíu do centro penitenciario ao redor das 9.30 da mañá desta segunda feira e ás 16.30 ingresará no centro de inserción social Carmen Avendaño á espera de que se concreten as medidas en que se materializará o réxime de semi-liberdade que lle foi concedido, un segundo grao con efectos de terceiro.Segundo informou o seu avogado, Guillerme Presa, a posta en semi-liberdade de Reboredo chega despois de que Institucións Penitenciarias decidise aplicar no seu favor o artigo 182 do regulamento penitenciario, que permite o cumprimento de condena en unidades como un centro de deshabituación. Con todo, Presa descoñece aínda "como se concretará" esta decisión ao redor de cuestións como se o vigués terá que levar unha pulseira ou se terá que durmir todas as noites no centro ou poderá pasar as fins de semana na vivenda familiar. Polo día fará parte do Programa de formación e integración social da Asociación Érguete e continuará co seu traballo de axente de saúde no centro O Imán, tal e como viña facendo antes de entrar no cárcere.A pena que lle conmutaron por pena pecuniaria --multa de dous euros ao día durante dous anos-- foi a imposta pola Audiencia de Pontevedra en 2010, de tres anos e medio de cadea. Fica pendente de resolución --"e espero que se lle conceda tamén", di Guillerme Presa, a petición de indulto para a primeira condena, tamén de tres anos e medio de prisión e imposta en 2007. O caso de David Reboredo, ano a anoRepasando de maneira cronolóxica o caso de David Reboredo, o vigués foi collido nunha transacción en 2006, entrementres intercambiaba con outro toxicómano unha papelina de 300 miligramos de heroína. Meses despois tivo lugar a vista oral na sección 5ª, aplicándolle a atenuante de drogadicción e tomando en consideración que os seus antecedentes penais --por delitos menores vinculados á adición que padecía-- ficaban cancelados desde 1996. Aínda así, condenárono a 3 anos e medio de prisión. Ao ser enxuizado na Audiencia provincial o único recurso que cabe é de casación, e preséntase perante o Tribunal Supremo. Tal e como recorda Marcos Reboredo, con tal recurso pídese a anulación dunha sentenza porque durante o xuízo se interpretou mal unha norma ou se vulneraron os dereitos d@ acusad@. Non era o caso de David. O Supremo denega o recurso e o vigués ten que entrar no cárcere. Con todo, a familia reclamou a suspensión da privación de liberdade e a conmutación por outra pena. Concedéuselle en 2008, baixo dúas condicións: que non delinquise e que non consumise. En 2009, a policía española colleu David durante unha segunda transacción, de 100 miligramos, e quixo envialo de volta ao cárcere. A comezos deste ano solicitáronse dous indultos, un por cada pena imposta, que xuntas suman sete anos de privación de liberdade. Entrementres se tramita o perdón, a pena fica suspendida. Até doce organizacións que traballan man a man con persoas toxicómanas asinaron un escrito apoiando o indulto para David, pois durante o tempo que ficou fóra do cárcere traballou como axente de saúde en O Imán --a persoa que media entre toxicóman@s e o centro de tratamento, estabelecendo unha relación de confianza para que acepten de bo grao a terapia. David traballou arreo neste centro entre 2007 e 2012. Quen o coñece defende que está "completamente rehabilitado". Porén, o goberno español denegoulle os dous indultos. Un en setembro e o outro en outubro, sen argumentar motivación algunha, pois a lei que regula os indultos, de 1970, non obriga a facelo. Até dous indultos para os Mossos que lle meteron a un detido unha pistola na boca En once meses na Moncloa, o PP indultou en até 468 ocasións. Houbo casos que espertaron polémica entre @s profesionais da xustiza, como o indulto aos militares José Ramón Ramírez e Miguel Ángel Sáez, condenados por falsearen a identidade de 30 d@s 66 mort@s no accidente do Yak-42; o indulto ao ex alto cargo de Unió Democràtica de Catalunya Josep M. Servitje e ao empresario Víctor M. Lorenzo, sentenciados por desviaren fondos encargando informes "inútiles" e cuxo perdón non recibiu o visto e prace do tribunal que os condenara. Tampouco a Audiencia de Barcelona estivo de acordo na extinción da responsabilidade penal que o ministerio de Xustiza decretou para catro mossos d'Esquadra que foran condenados por torturas e aos que xa se lle concedera outro indulto. Así, o ministro Gallardón librounos do cárcere ao rebaixarlle a dous anos a pena imposta, de catro anos e medio, ao considerar probado o maxistrado encargado do caso que apalearan, ameazaran e chegaran a lle meter ao detido unha pistola na boca. Por non teren antecedentes, non terían que entrar en prisión após a rebaixa da pena de febreiro, mais a Audiencia barcelonesa decretou igualmente o seu ingreso no cárcere. Porén, o goberno español volveu indultalos, conmutándolles a privación de liberdade por unha multa de dez euros ao día durante dous anos. Malia todo dque tiña este vigués de 43 anos, o indulto non podía vir "así por así".
PRAZA_886
ENTREVISTA Santiago Martínez, media trainer internacional, licenciado en Dereito e experto en comunicación política desvélanos algunhas das claves para a campaña municipal
Santiago Martínez é consultor político e media trainer internacional. Licenciado en Dereito e co mestrado de márketing político, decidiu facer da elocuencia a súa profesión e por iso montou en Compostela unha escola de oratoria. Desde unha cafetería da capital galega expón algunhas das claves para a vindeira campaña municipal ¿Que misión cumpre a comunicación nos partidos? É esencial porque sen comunicación non hai capacidade de contactar coa cidadanía, pero sobre todo, na sociedade da información e comunicación é importante que os partidos aínda comunican en formatos do século XX e non do XXI e estano a sufrir en réditos electorais. Hai unha comunicación do século XX e outra do XXI, non só nos medios senón de como debe comunicar o político en cada medio. Cal é o eixo principal sobre o que debe pivotar a comunicación externa dos partidos políticos? O eixo principal hoxe en día é a diferenciación. Tanto ten o tema, porque todos van ser similares, o importante é diferenciarse, xa sexa salientando cuestións que che favorezan, que a cidadanía percibe que ti xestionaches mellor, por exemplo o Partido Popular sempre vende, historicamente, seguridade e economía e o PSOE progreso e educación. Agora tamén hai que diferenciarse no xeito de enviar a mensaxe. Unha técnica moi clásica é a técnica Aída, que foi a que usou Albert Rivera en Ciudadanos durante anos e comeza a darlle froitos. É unha técnica para aplicar nun periodo longo de tempo, por iso o PSOE a usou mal, porque a fixo en tres meses. En resumo, que se fas o mesmo que fan os outros ninguén se vai fixar en ti. "O PP sempre vende seguridade e economía, o PSOE, progreso e educación" Estamos a piques de entrar en campaña municipal, como hai que xestionar a comunicación nunha localidade? As campañas municipais son as máis personalistas onde o cidadán non vota tanto partido como un candidato ou unha experiencia de goberno. É certo que estas eleccións municipais poden ser as que máis destaquen en clave de partido estatal porque moita xente vai votar pensando no ocorrido durante os anos de goberno nacional do Partido Popular: os recortes, a manipulación de dereitos cidadás, a crise, a corrupción… Vai ser moi interesante ver como se estratifica o voto por segmentos poboacionais: se vai ser personalista ou de castigo. Malia á importancia das redes sociais, segue sendo preciso o contacto persoal? As redes sociais son importantísimas nunha campaña. E ollo, non é que sexan boas para viralizar a mensaxe senón que son boas para colocar os temas de debate nos medios tradicionais. En campaña a cara dun candidato nun cartel convence ao 2% da xente, apertar unha man ao 70%, e apertar unha man é gratis. Inflúe a cercanía e a familiaridade do candidato, pero claro, dun xeito coherente, non serve facelo só en precampaña. En Galicia temos o novo fenómeno político das mareas, que lle aconsellarías ti a esas formacións para inserir correctamente a súa mensaxe na sociedade? Teñen unha fortaleza e é que non se lles percibe como partidos tradicionais, non son estritamente políticos aínda que haxa xente con experiencia pero a eiva que poden ter é a falta de percepción dun proxecto ou experiencia de goberno e outra eiva que lle buscarán os partidos tradicionais é infundir o temor no electorado de que as mareas son unha mestura de xente onde non hai estabilidade. "As mareas teñen que xogar a carta comunicativa da esperanza" En eleccións sempre hai dúas emocións ou dous pulsos, que son cos que deben xogar as mareas, que se repiten ao longo da historia e que son os que moven o voto. Un é a esperanza e o cambio e outro é o temor. As mareas teñen que xogar ben coa carta comunicativa da esperanza, nisto axuda que a xente está moi farta e os partidos tradicionais pois xa vimos cando o PP xogaba co bipartito, dous gobernos desunidos, foi un discurso que callou. A xente penaliza moito a inestabilidade e a división, nisto a Marea de Coruña faino ben, se hai problemas internos, o cidadán non o sabe. Outras non estiveron tan afortunadas. Hai candidatos galegos moi activos nas redes: Martiño Noriega, Rafa Cuiña, Carlos Negreira ou Rey Varela moi activos en twitter e facebook, que tal o fan? En termos xerais os candidatos galegos usan mal o twitter, acórdanse de usar as RS cando chega a campaña e só hai que ver o que pasa despois. Por exemplo nas últimas europeas os candidatos ao día seguinte xa deixaron twitter. Pasaron as semanas e as RS morrían. A maioría da xente empeza a usalos tarde, e o poder das RS reside en que facilitan o contacto co cidadán pero iso ten que dirar 4 anos. Hai candidatos aquí en Galicia, e os que ti mencionaches son todos bos exemplos, que teñen feito ese traballo durante catro anos e, polo tanto, están mellor situados para aproveitar esa escoita activa, e para facer programa e propostas adaptados ás necesidades reais do país. Daquela nunca debe deixarse o twitter fóra de combate? Non porque logo sae un artigo nun medio explicando que políticos están actualizados e cales non e fai máis mal que ben ese uso temporal da rede social. É unha falta de miras, un erro estratéxico. Se non estás cómodo en RS, non as teñas. Galicia ten unha demografía envellecida, coa coñecida brecha tecnolóxica, onde deben focalizar máis os partidos, en internet ou nos medios tradicionais? Cada medio ten que estar adaptado ao teu target, ao teu público obxectivo. É evidente que o público obxectivo que máis vai usar as novas tecnoloxías é a xente moza pero a medida que van pasando os anos, os estudos demostran que a penetración das novas tecnoloxías en segmentos de poboación maiores entran igualmente. Xa hai xente de 50 ou 60 anos que, a través do teléfono móbil, segue as noticias, a prensa, whatsapean. É unha tecnoloxía que chegou para quedar e contra iso non podes loitar. Os partidos, evidentemente teñen que subir a ese carro canto antes, pero iso non rivaliza co sistema tradicional de comunicación de notas de prensa, de entrevistas, folletos… "A gran importancia das redes sociais é que os medios tradicionais adaptan a súa axenda a elas" A gran importancia das redes sociais é que os medios tradicionais adaptaron a súa axenda a elas, inflúe moito o que se di en internet. De feito as grandes noticias viralízanse con hastags, cando hai un debate político na televisión, hai outro paralelo en twitter. Cal cres que é o partido con presencia en Galicia que se move mellor nas redes sociais? O PP ten unha estrutura de partido e de profesionais da comunicación que lle permite ter un tráfico e unha presenza considerable. Pero falla na mensaxe, todas esas ferramentas boas que teñen úsanas para facer comunicación tradicional. Ti non podes usar twitter ou facebook para subir unha nota de prensa. Ou escribir como se estiveras escribindo un bando municipal, é dicir, os contidos nas RS teñen que chamar a atención, adaptarse ben e, moi importante, teñen que permitir a viralización. No outro sentido, non teñen estrutura, pero si saben facer contidos atractivos, está a xente de Podemos, ao faltar estrutura, precisan facer a penetración da mensaxe coas RS. Anova tampouco o fai mal. "O PP ten boas ferramentas para explotar as redes sociais pero úsanas mal, fan comunicación tradicional" Cónstame que o PSOE e o BNG están creando dinámicas internas de adaptación, de realización de contidos, pero con máis limitacións. Esta reformulación do BNG ten que ver co desfase que tiñan entre a súa comunicación e a sociedade. Hai terminoloxía e algunha imaxinería que están un pouco pasadas xa que afastan ao cidadán medio. A campaña que están a facer agora, a de depende de nós, o formato, o logotipo suavizado, a mensaxe máis do día a día, creo que é un cambio positivo, adaptado á realidade. "A campaña de Depende de nós do BNG é un cambio positivo, envía unha mensaxe máis do día a día" Os políticos adoitan ter un equipo que, xunto con eles, leva o seu twitter, deberían manexar máis eles mesmos as súas redes sociais? É unha boa pregunta, eu creo que debería, pero depende do político en cuestión. Hai políticos que teñen capacidade para levar eles as RS, pero hai outros que, se xa provocan incendios cun micrófono, imaxina se lles das un marco de total liberdade. Hai que comprender que depende do político é difícil que estea ao día e entón é normal que haxa un equipo de xente que lle leve esas cousas, pero normalmente iso xa se explicita na bio de twitter. A fraude sería que non se advertira iso, que un cidadán pense que o político está do outro lado, e que non sexa el o que lle está contestando, senón o equipo. Non especificalo paréceme fraude, e ocorre moito. Podemos debe parte do seu éxito ás redes sociais? O uso das RS por parte de Podemos logrou transmitir a mensaxe, pero o máis importante é que logrou que os outros partidos falaran do que eles poñían sobre o tapete. Iso denomínase técnica do framing ou enmarcado: lograr que o rival entre no marco dos conceptos de debate que a ti che favorece. En Podemos hai profesores especialistas en comunicación política, Bescansa, Errejón, Monedero, que controlan destas cuestións e manexáronas moi ben para lograr que PP e PSOE falaran do que a eles lles interesaba. Logo, os medios tradicionais que a xente usa, reflectían que o debate político se centraba no que Podemos dicía nas RS. No triángulo da comunicación política no que entran o político, o cidadán e o xornalista, adoita haber desconfianzas e reticencias, canto ten que ver a falta de formación en comunicación política nesta cuestión? Bastante porque a maioría dos políticos recelan, teñen un medo constante de que apareza un troll e non ven a oportunidade de estar nas redes sociais, rebater, discutir, poñer en evidencia a quen che falta ao respecto ou te critica. A falta de visión por parte dos políticos é o que fai que non estean cómodos nas redes, e por iso nese triángulo falla o político. Vivimos nunha época na que o cidadán é o quinto poder, xa non é un suxeito pasivo que escoita información, senón que a escoita, procésaa e fíltraa, repítea, compártea, contesta, engade, demanda máis información. O cidadán é xa un igual ao político. Sería acaído dicir que a Podemos o crearon as RS e a Ciudadanos as enquisas? Ciudadanos naceu en Cataluña como un movemento coxuntural da realidade política catalá onde non creo que as enquisas tiveran que ver, senón o mesmo contexto catalán, si que é verdade que os resultados a nivel estatal se deben ás enquisas. Hai un efecto de bandwagon que quere dicir que, cando hai unha campaña, e un cabalo gañador, que se pon de moda, que ten apoio, a xente sóbese aí porque non gusta perder. A nivel estatal as enquisas si que están provocando ese efecto. "Os resultados de Ciudadanos a nivel estatal débense ao efecto bandwagon que se provocou cos datos das enquisas" Canto a Podemos si, claramente aproveitou un magma, unha resposta social que canalizou a través de RS e foi así como medrou, á parte do fenómeno televisivo. Onde Podemos viu que tiña posibilidades de medrar electoralmente, que había uns substrato social para poder crear un novo partido foi coa súa experiencia de asesoramento de AGE en Galicia.
NOS_9006
As palabras seducen. Teñen a capacidade de modificar a percepción que temos da realidade e tamén de construíla. Afondamos no sexismo que agochan nunha ampla reportaxe que publicamos no Sermos Galiza 231, á venda xa nos quiosques e na loxa. Deixamos aquí un extracto.
Na Galiza somos máis mulleres que homes. Segundo os últimos dados do IGE, están censadas no país 2.732.347 persoas, 1.415.293 mulleres e 1.317.054 homes. Porén, somos invisibilizadas acotío, cada vez que non se nos nomea. Basta con prestarmos atención a calquera conversa do noso arredor para nos decatar de que a linguaxe conta con múltiplas estruturas que perpetúan os estereotipos machistas e que discriminan e denigran as mulleres. Expresións como "os nenos non choran", "teño que ir ao médico", "chama a súa secretaria"… son tan habituais como machistas. A linguaxe reflicte e constrúe o mundo. Así o advirte a profesora da Universidade de Vigo Ana Bringas, unha das autoras do Manual de Linguaxe inclusiva no ámbito universitario, editado pola Uvigo e que tamén asinan Olga Castro, María Jesús Fariña, Belén Martín e Beatriz Suárez. En declaracións a Sermos Galiza, a filóloga pon de manifesto que a linguaxe sexista dá conta da "realidade que vivimos, unha sociedade desigual, con mulleres invisibilizadas e mesmo desprazadas en moitos ámbitos". Esta desigualdade, explica, faise máis evidente no caso das linguas romances, que contan con flexión de xénero. Ana Bringas sinala que o uso da linguaxe sexista "perpetúa un estado de cousas no que as mulleres non contan para nada" e defende que a linguaxe inclusiva "contribúe a construír realidades e imaxinarios nos que hai igualdade". "Mentres sigamos usando a linguaxe sexista, seguiremos excluíndo as mulleres, porque o que non se nomea, non existe", engade. [Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 231, xa á venda nos quiosques e na loxa online]