ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
PRAZA_11815
Dentro de dous días entréganse os bigotudos galardóns. Podo adiantar que considero que Clip merece un. A ver que pasa
Viva o cinema chileno! Se hai dous ou tres días crin descubrir en De jueves a domingo unha xoia na filmografía máis contemporánea deste país transandino, hoxe topei cun diamante en bruto. O debutante Jairo Boisier Olave espide de artificios a que é a súa primeira película e ao mesmo tempo declaración de intencións cara a un cinema austero, minimalista e desprovisto de falsas pretensións. En La jubilada, o realizador conta a historia de Fabiola, unha moza que logo de abandonar a súa carreira como actriz porno na capital volve á súa vila natal para tentar retomar as rendas da súa vida. Vila pequena, inferno grande. A ignorancia dos habitantes (incluídos o seu pai xubilado e a súa irmá) e os seus retrógradas prexuízos fronte á impudorosa profesión da protagonista darán como resultado un cocktail de situacións tensas, charlas incómodas e amizades inesperadas. A narrativa do filme é lineal, os personaxes (case brechtianos) sempre se enfrontan á cámara de cara e o realizador retrátaos en planos xerais. A excepción que confirma a regra atopámola nunha visita ao cemiterio no que está enterrada a nai. As dúas irmás contemplan a lápida e dan as costas á mirada do director mentres a menor conta á maior como unha noite, cando non podía durmir, entrou na habitación conxugal e atopounos aí, en pleno acto. Este, xunto a un instante de xovialidade familiar fronte a unha cámara web e un baile fronte ao espello, son os tres únicos momentos que se resolven cunha sensación de alegría. O resto acaba sempre en desacougo. A fraqueza do ser humano, sempre pesimista, sempre negativo. As escenas empezan e conclúen sen cortes, sacando sen grandes espaventos o maior partido ao plano secuencia (e o que atopo máis difícil, sen recorrer ao travelling). A fraqueza do ser humano, sempre pesimista, sempre negativo. As escenas empezan e conclúen sen cortes, sacando sen grandes espaventos o maior partido ao plano secuencia Non hai nin un movemento de cámara ao longo dos oitenta e tres minutos de duración. Un exercicio de contención do que moitos realizadores deberían aprender. Nunha película destas características non colle a música nin os grandes efectos de son (diexético ao cento por cento). Quizais sexa polo tema, ou se cadra se trate tamén do formal, pero saín da sala do Cinerama coa sensación de que algo así intentou facer a directora asturiana Elisa Cepedal na súa última curta Ay Pena, e non me estrañaría que pola mesma razón fose Sección Oficial de Xixón en 2011. Todo o contrario ocorre con Miss Bala de Gerardo Naranjo. O autor desta superprodución do cinema independente desata a cámara e empúxaa para seguir o personaxe principal mentres encara unha serie de eventos desafortunados. Laura, unha moza oriúnda de Tijuana de 23 anos de idade inscríbese nun concurso de beleza fronteirizo "por probar". Ese mesmo día, nunha discoteca, presencia o ataque dunha banda de criminais a un oficial da embaixada estadounidense (que non se sabe moi ben que facía alí). É a típica historia da persoa que está no lugar equivocado, no momento equivocado. A partir de aquí comeza unha espiral de submisión marcada por un acentuado síndrome de Estocolmo e que a levará a colaborar cos malos por obrigación e baixo ameaza. Hai quen a compara con Traffic, do americano Steven Soderbergh, pero menos complicada na construción narrativa e sen dividirse en tantas historias paralelas (en fin, que non é unha película coral). A pesar de ser unha obra chea de acción, con secuencias de persecución en coche e unha 'balacera' baixo unha ponte que parece sacada dun videoxogo (un sufocante travelling interminable do que non sairemos vivos), o de Naranjo é un exemplo de como se pode ser autor mesmo ao abordar un xénero característico do cinema comercial. E é que o meu compatriota (de agarimo) é capaz de rodar ás escuras, con siluetas case imperceptibles que recollen a pouca luz dunha noite sen lúa, para ocultar momentos dramáticos e potenciar o seu efecto. Laura será raíña por un día, unha auténtica Miss Bala. Sen ser excesivamente dramática, a película consegue berrar unha metáfora: "todos os mexicanos somos Laura". E é que os narcotraficantes teñen secuestrado ao país enteiro. Vou terminando. Fáltanme cinco películas para ver todas as de Tiger Competition. Dentro de dous días entréganse os bigotudos galardóns (quen tivese un na casa), así que este espazo pide a voces unha quiniela. Son tres premios idénticos, mesma xerarquía, mesma cantidade de diñeiro (15 mil euros) e mesmo trofeo. Eu mollareime con catro títulos e a ver que pasa. Podo adiantar que considero que Clip merece un. Este mediodía entrevistei a súa directora Maja Milos (a terceira muller á que aludo no titular) e dáme a impresión de que ela tamén é toda unha "tiger". *Esta é unha colaboración da revista dixital de cinema A Cuarta Parede Infórmate sobre cinema lendo A Cuarta Parede
NOS_7742
Coa edición do escritor e investigador Miro Villar, a "Poesía Completa" de Gonzalo López Abente preséntase esta sexta feira no espazo cultural Portas Ártabras da Coruña, no marco do 50 aniversario do pasamento do poeta.
Editado pola fundación Gonzalo López Abente e Edicións Espiral Maior, dentro da colección Opera Omnia, o volume que contou con Miro Villar como editor literario, recolle os cinco libros editados en vida polo poeta, tres que foron publicados despois do seu falecemento e unha serie de poemas que se recuperaron de revistas, xornais e inéditos. Escumas da ribeira, Alento da raza, D´outono, Nemancos e Centileos nas ondas son os libros publicados en vida do autor e Bretemada, Decrúa e Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca son os que viron a luz despois do seu pasamento. A obra poética do muxián López Abente reúnese neste volume cando se conmemora o cincuenta aniversario da súa morte. O escritor naceu en Muxía, onde ten a sede a Fundación que leva seu nome, en 1878 e morreu na mesma localidade en 1963. Membro activo das Irmandades da Fala, López Abente apoiou a constitución do Partido Galeguista e participou na campaña de apio ao Estatuto. Foi tamén o primeiro presidente da Asociación de Escritores de Galiza, actividade toda que lle valeu un expediente de depuración e o cesamento do seu emprego no Banco Pastor. En 1941 ingresou na Real Academia Galega co discurso "A Terra e a poesía de Eduardo Pondal", que o escritor, en tempos de persecución para a lingua, pronunciou en galego. A presentación terá lugar ás 20 horas desta sexta feira, 15 de novembro no espazo cultural Portas Ártabras da Coruña., da Asociación de Amigos dos Museos de Galiza.
NOS_42067
A noite do 24 ou a do 31 son as que a tradición recolle para a chegada do Apalpador, baixando das montañas do Courel para percorrer os fogares da Galiza. Por iso, ao longo da vindeira semana, Nós Diario publicará unha serie de relatos e historias de xentes do campo da cultura ou a memoria e que teñen este carboeiro como protagonista.
"Vaite logo meu ninín/ miña neniña/ marcha agora para a camiña, que vai vir a Apalpador/ a apalparche a barriguiña./Mañá é día de cachela,/ que haberá gran nevarada/ e a vir a Apalpador/ cunha mega de castañas". A cantiga recollida pola vella Amadora nas montañas do Courel é a máis sólida testemuña da mítica figura que reparte entre as crianzas o mellor do seu tempo, unha presada de castañas para encher a barriga baleira. Os investigadores José André Lopes Gonçales e Carlos Calvo foron quen comezaron coa recuperación da figura e, en pouco máis dunha década, a súa chama prendeu. Máis de trinta gravacións con informantes, que atesouran na Gentalha do Pichel en Compostela, dan para construír un retrato completo da figura do vello carboeiro.Na Gentalha e tamén na Semente, desde entón, cada ano festexan a figura. O pioneiro artigo O Apalpador: Personagem mítico do Natal galego a resgate de José André Lópes Gonzáles foi quen deu a pistolada de saída á recuperación deste personaxe. O propio Lópes Gonzáles afirmaba hai dez anos nunha entrevista que "escribín sobre o Apalpador porque vía un mundo que estaba a desaparecer diante dos nosos ollos". Recuperar Un relato de como se recuperou que fai parte da aposta de Nós Diario por esta figura e que se concretará para a semana, cunha páxina diaria en torno ao Apalpador entre o 22 e o 26. Que haberá? Pois haberá contos, lembranzas, relatos, interpretacións... da man de diferentes persoas do mundo da literarura, a música ou a memoria e que se irán desvelando nestes días. E que non pode faltar cando se fala deste personaxe tan antrañábel? Os debuxos do Apalpador realizou o debuxante e artista Leandro Lamas, a persoa responsábel de que se popularizase a imaxe deste carboeiro dos Ancares: A zamarra vai remendada, fuma pipa, leva un saco pendurado e as barbas son grandes e mestas, ficando afincado que é roibo. Festexar e gozar Anxo Moure tampouco pode faltar cando se fala do Apalpador, figura que non aparece só no Courel, senón que se manifesta con diversos nomes noutros lugares da área galego-portuguesa: Apalpador tamén no Bierzo, Apalpa-barrigas nos Ancares, ou Pandigueiro na comarca de Trives. Moure ten percorrrido medio país facendo de Palpador. E como se constrúe a personalidade deste Apalpador? El mesmo deu a resposta a Nós Diario: "O elemento fundamental penso que é a barba. Constrúoa tamén a través do traxe tradicional, a vestimenta popular que levaba a xente con pantalón de pana, chaleco, camisa, a pucha ou boina, os zocos e o caxato. Busco algo que sexa moi plástico e ao mesmo tempo moi naturalista, que sería a antítese dese Papá Noel que se viste nas tendas de todo a cen ou nos comercios que oferecen todo procedente da explotación laboral dos pequenos doutros países". "Non perder a raíz" "É importante tamén que non se perda esa raíz", teima. "Ademais, é unha personaxe ao mesmo tempo universal. De feito, eu sempre digo ás crianzas que Papá Noel é un Apalpador emigrado da serra do Courel". Tamén Xurxo Souto sabe do Apalpador, a través de cantigas ou composicións que chegaban a través daquel Aberto por Reformas: "Vén do Courel...que ben ! Vén dos Ancares...que grande ! Vén do Souto máis retorto onde aínda moucha o moucho" O éxito do noso amigo é tan amplo que hai dous anos activouse Sigue o Apalpador, unha aplicación para o móbil que permite seguir o percorrido desta figura do Nadal galego polos concellos de Galiza. "É unha ferramenta moi sinxela que nos permite ver nun mapa por onde vai o Apalpador no seu percorrido por Galiza", explicaban desde Mallando no Android. A actual pandemia de coronavirus, porén, llimita nesta ocasion o periplo do personaxe por Galiza. O que non pode limitar é o seu protagonismo no Nadal da Galiza.
NOS_53911
A morte de Man, o alemán de Camelle, bateu en todas as conciencias no momento álxido da invasión do chapapote na Costa da Morte. A lenda convertíase en símbolo da desolación diante do atentado do Prestige. Acubillada coa enerxía de entón, naceu a idea de protexer e difundir a súa obra a través dunha fundación creada anos despois. Cando se cumpre unha década da súa morte, o abandono é o que mellor define o estado do museo que el creara ao ar libre.
Manfred Gnädinger morreu o 28 de decembro de 2002. O Prestige levaba xa máis dun mes botando chapapote e a súa obra en pedra, labrada á beira do mar, sufría a destrución do mesmo xeito que tantas praias da costa. Quen o coñeceu di que Man se deixou morrer de pena, ao ver a destrución do lugar que escollera para vivir corenta anos antes, cando sorprendeu na parroquia de Camelle ao se instalar á beira do porto e crear o seu particular museo. A enerxía que venceu a marea negra do Prestige prometía tamén protexer a obra de Man, como legado do artista alemán convertido en símbolo dun tempo tan intenso. Dez anos despois, a casa de Manfred e as obras expostas esmorecen baixo o abandono e no horizonte non se albisca ningunha iniciativa para conmemorar o décimo aniversario da súa morte. Camelle acollera con sorpresa a presenza de Man, aquela particular figura que sorteaba o frío e a calor co corpo case espido e o seu longo cabelo. Agora, a veciñanza reclama a súa memoria e cústalle entender o abandono dun patrimonio que é de tod@s @s veciñ@s de Camelle. "Fariamos algo, se soubésemos o que. Camelle coñécese grazas a Man. Por aquí pasan milleiros de persoas para ver a súa obra e a súa casa e a nós dános vergoña que comproben o estado en que se atopa", comenta Digna Román, presidenta da asociación de veciñ@s e vogal da Fundación Man, entidade á cal non se lle comunicou polo de agora intención ningunha por parte do concello de activar a restauración do legado nin organizar algún acto para o décimo aniversario. Xuntáronse a comezos de xuño, despois de solicitar a representación veciñal a reunión cando menos en seis ocasións, mais mesmo así non obtiveron información cando foi convocada. "Perdeuse moito, tanto na casa como na obra. Houbo desidia política por parte de todas as institucións", comenta Digna ao tempo que lembra que o pasado ano, cando se conmemorou o noveno aniversario, plásticos negros cubriron a casa de Man en sinal de protesta polo abandono. Un ano despois, ningunha actuación cambiou o seu estado de destrución incrementado polo último temporal. "A súa obra destruíuse, o museo tamén e non se ve ningún sinal de que isto cambie. Man legou todo ao estado, mesmo 120.000 €, cartos que poderían restaurar este patrimonio de Camelle", comenta Manuel Posse, veciño da parroquia e autor das imaxes desta páxina. Manuel Posse coñeceu e tratou a Manfred e sentiuse fascinado pola singularidade da súa obra. "Era unha persoa moi instruída e culta; ademais da pedra, tiña obra pictórica e fotográfica" comenta Posse, despois de evocar aqueles días en que Man deixou de tomar a súa medicación para se achegar á morte. "Era radicalmente coherente cos seus principios anticapitalistas. Vivía co mínimo. Tiña unha relación consanguínea coa súa obra, dicía que eran os seus fillos. Mesmo niso foi consecuente. Ao ver o chapapote destruíndo a súa obra deixouse morrer" comenta o escritor Xoán Abeleira, autor do libro A pegada de Man, onde se achega á obra do alemán de Camelle. Reconstruír o museo e reivindicar a súa obra, esta é a demanda da veciñanza e tamén de moitas persoas especialistas que cada ano se achegan a buscar a pegada de Man. "A súa obra ben podería estar nalgún dos máis importantes museos do mundo e, en cambio, asistimos a súa destrución en Camelle. Estamos diante dun tesouro artístico así valorado por moitos especialistas e dun artista, ao meu ver, dunha coherencia única que merece un futuro para a súa obra", denuncia Abeleira.
NOS_24716
O número de ricos aumentou coa crise e os seus bens medraron en máis de 7.000 millóns en tres anos.
Aumenta o número de ricos e aumenta o seu patrimonio. Xa hai máis fortunas en Galiza agora do que había nos primeiros anos desta gran recesión económica. Así o testemuñan os dados de Facenda correspondentes ao exercicio 2014 e publicados recentemente. En Galiza hai 7.600 persoas ricas, categoría que gozan aquelas que teñen bens superiores aos 700.000 euros. Son 163 persoas máis que no exercicio anterior, o 2013. En só un ano o número de fortunas en Galiza aumentou a tres novos ricos por semana. A diferenza con 2011, nun dos anos máis duros desta crise, é de 500. É dicir, que hai medio milleiro de ricos máis agora que entón. O patrimonio dos ricos galegos aumentou a máis de catro millóns de euros diarios durante a crise O patrimonio que atesouran estas fortunas galegas elévase en total a perto de 32.500 millóns de euros, unha cifra enorme e que supón 7.000 millóns de euros máis que a cantidade que os ricos de Galiza sumaban en 2011. Un ritmo de incremento de catro millóns de euros máis cada día. O patrimonio das fortunas que hai en Galiza multiplica por catro o orzamento da Xunta de Galiza para 2015. Capital e traballo Recentemente, UXT Galiza presentaba un informe que concluía que desde 2007 na Galiza as persoas asalariadas perderon 1.211 millóns de euros mentres que as empresas gañaban 523 millóns. "O traballadores foron os grandes perdedores dunha crise que eles non xeraron e en que as grandes culpables desta situación que se describe foron as reformas laborais e da negociación colectiva", denunciaban desde o sindicato socialista. O peso dos salarios no PIB galego caeu en catro puntos desde 2009 mentres que o dos beneficios empresariais aumentou en dous puntos. Unha evolución que dá a volta a achega que fai cada un deles ao produto interior bruto do noso país,. A finais de 2015, os salarios eran o 44,4 do PIB e os beneficios das empresas, o 45,5. Sete anos antes, no 2009, cando a crise comezaba a galopar con forza, as rendas do traballo representaban o 48,6% e os beneficios empresariais, o 43,7%. Unha diferenza de 5 puntos. Agora é só dun e a favor das empresas.
NOS_49250
Jorge Fernández Díaz afirmou que Laura Mintegi "cometeu un dobre grave erro por non condenar a ETA nin pedir a súa disolución e, ao mesmo tempo, lamentar a operación policial", referíndose ás palabras da candidata a lehendakari sobre o arresto esta fin de semana de dúas persoas militantes da banda armada
O ministro do Interior español, Jorge Fernández Díaz, ameazou EH Bildu cunha hipotética ilegalización por mor das palabras da candidata a lehendakari Laura Mintegi onde sinalaba que as detencións de dúas persoas militantes de ETA a pasada fin de semana "atrasan e non facilitan" a resolución do conflito. O fiscal xeral do Estado tomou nota e sinalou que estudará as palabras de Mintegi. A formación abertzale vén de obter 21 escanos nas eleccións vascas. En declaracións nos corredores do Congreso d@s deputad@s, Fernández Díaz, advertiu a EH Bildu que "excedeu unha nova liña vermella" e que "o contador" para un hipotético proceso de ilegalización "se acelerou" coa súa postura perante as últimas detencións no Estado francés. Dixo o político español que a organización política abertzale "cometeu un dobre grave erro por non condenar ETA nin pedir a súa disolución e, ao mesmo tempo, lamentar a operación policial". Fernández Díaz lembrou que esta posición da coalición forma parte do decálogo de actitudes fixadas polo Tribunal Constitucional que poden dar lugar a un proceso de ilegalización, no caso de que se produzan de forma "grave e reiterada". No entanto, deixou claro que corresponde á Fiscalía Xeral do Estado e á Avogacía iniciar ese hipotético proceso contra EH Bildu. E o fiscal xeral do estado, Eduardo Torres-Doce, xa se pronunciou ao respecto. Sinalou que estudará as recentes declaracións da candidata a lehendakari sobre a detención d@s militantes da banda armada. Dixo xa que "analizará" eventuais actuacións se fosen oportunas.
NOS_42315
O encontro quer ser, segundo AGE, organizadora da cita, unha xuntanza de debate e análise dando voz á veciñanza para
'As áreas de alta montaña na Unión Europea: Unha perspectiva dende a esquerda' é o título das xornadas que decorrerán esta fin de semana en Becerreá, organizadas por AGE en coordinación co Grupo de Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde (GUE/NGL). Esta cita quer ser. Segundo Alternativa Galega de Esquerdas, "un espazo de encontro, información e debate co obxectivo de analizar en profundidade o tipo de políticas que se están a aplicar nas zonas de alta montaña, tomando como eixo central a valoración que das mesmas realizan as persoas residentes nestas áreas". Como segundo paso deste encontro impulsado pola eurodeputada Lidia Senra, esas propostas, achegas e debates nas xornadas permitirán "analizar a situación e debater sobre propostas de futuro para levar ás institucións nas que temos presenza". "As políticas neoliberais, deseñadas polos diferentes estamentos da Unión Europea en base ás competencias que cada un deles ten, provocaron a desaparición de milleiros de explotacións agrarias no noso país", valora Senra. "Este feito minou a base económica do medio rural e provocou o abandono e desertización de moitas áreas do noso país, sendo as máis afectadas as zonas de alta montaña".
PRAZA_12146
O éxito do nacionalismo escocés consiste en colocarse no punto de fuga do equilibrio político británico. O SNP ocupa a mantenta o espazo central da política precisamente para poder chegar a máis sectores da poboación escocesa e convencelos do seu proxecto. Sabe poñer nun plano secundario as diferenzas políticas internas, co obxectivo de chegar ao poder e realizar o seu fin principal: mandaren na propia casa. Se nace esa nova forza política galega que agora tanto se necesita, as súas primeiras olladas deberían ir para o norte.
Cando repasemos os feitos sobranceiros daquel ano británico de 2012, habemos lembrar a viaxe que fixo David Cameron a Escocia a mediados de febreiro. As implicacións da viaxe conservadora ao norte das illas, e da súa reunión con Alex Salmond, o líder do SNP, reveláronse transparentes e revolucionarias para a futura morfoloxía política do Reino Desunido. No transfondo da viaxe está a confianza explícita que os escocesistas teñen no seu proxecto de referendo sobre a independencia escocesa nos vindeiros anos, e maila súa boa xestión gobernamental. Outro elemento deste cadro é a ausencia no discurso dos tres grandes partidos estatais dunha política que sexa alternativa á do SNP. A dama de ferro debe estar furiosa. Mentres a presidenta arxentina critica a presencia do príncipe Guillerme en helicóptero nas illas Malvinas-Falkland, ao tempo que se achega o aniversario daquel conflito que tanto procurou a Thatcher, Cameron marcha a Edimburgo co chapeu na man, tentando evitar o inevitable. A desesperación da viaxe confirma que só pode haber dous desenlaces nesta historia: ou hai un plebiscito onde unha maioría de escoceses vota a favor da independencia total, ou o goberno autónomo escocés, dirixido polo SNP, chega a un acordo co goberno de Londres sobre un federalismo completado. Se fose isto último, Cameron e os seus manterían o espellismo dunha unión británica sen creba, mentres os escocesistas gozarían unha independencia en todo agás na denominación. E que ten que ver todo iso coa Galiza? O éxito do nacionalismo escocés consiste en colocarse no punto de fuga do equilibrio político británico. O SNP ocupa a mantenta o espazo central da política precisamente para poder chegar a máis sectores da poboación escocesa e convencelos do seu proxecto. Sabe poñer nun plano secundario as diferenzas políticas internas, co obxectivo de chegar ao poder e realizar o seu fin principal: mandaren na propia casa. Faino o SNP sen a urxencia social da saúde dunha lingua que recibe ataques todos os días das mesmas institucións que debían defendela. Se nace esa nova forza política galega que agora tanto se necesita, as súas primeiras olladas deberían ir para o norte. Primeiro tomamos Manhattan, e logo tomamos Berlín.
NOS_43196
Case catro meses é o tempo de espera medio na área sanitaria de Vigo para someterse a unha ecografía xenitourinaria e nalgúns casos pode achegarse ao ano. Esa demora levou unha doente de infeccións crónicas de ouriños a recorrer á sanidade privada após varios meses "saltando de antibiótico en antibiótico sen máis probas" cunha doenza que se agudizou co paso do tempo.
A saturación pola falta de medios alcanza todos os estamentos do sistema sanitario público da Galiza. Listas de agarda cada vez máis longas, demora na asignación de consultas e resolución de probas diagnósticas... Son moitas as eivas que denuncian tanto os profesionais sanitarios como as asociacións de pacientes e na defensa da sanidade, unhas carencias agudizadas tras a irrupción da pandemia da Covid-19 e cuxas consecuencias sofren as persoas doentes. N.C.M. é unha mosense de 20 anos de idade que vén sufrindo infeccións de ouriños recorrentes desde hai perto de dous anos. Ao principio non lle daba moita importancia —"ía a Urxencias e non volvía padecela até pasados uns tres meses, non me preocupaba demasiado"—, mais a comezos de 2021 a doenza tornou practicamente crónica. "Empecei a sufrir infeccións cada mes ou mes e medio, e aí vin que pasaba algo, mais cando ía a Urxencias dicían que non vían nada estraño, dábanme un novo antibiótico e para a casa, sen facerme proba ningunha; xa perdín a conta de todos os que me receitaron", explica, en conversa con Nós Diario. O pasado outubro a paciente pediu unha cita co médico de cabeceira que tardou en chegar: "Tiña unha ao mes, mesmo cada 20 días. Fixéronme un cultivo para ver se eran consecuencia dunha bacteria mais perdérono; fixeron outro un tempo despois e resultou negativo. E eu seguía igual, de medicamento en medicamento e indo a Urxencias cada pouco". Adían unha cirurxía de cancro de páncreas no CHUS por falta de sangue coa doente xa sedada A infección rematou por subirlle ao ril: "Fun a Urxencias ouriñando sangue, déronme un antibiótico e mandáronme á casa, entendendo que non precisaban ingresarme. Mais ao día seguinte volvín, de novo con sangue nos ouriños, con moita máis dor e con 40ºC de febre. Novo antibiótico, desta vez máis forte, e só provocou que o vomitase. Volvín a Urxencias uns días despois e, máis unha vez, o mesmo proceso: cultivo negativo, antibiótico e á casa". Antibióticos, probióticos, pílulas de arandos e máis cultivos... Sen éxito. "Xa en xaneiro deste ano volvín e dixeron que me farían unha ecografía para ver que podía causarme tantas infeccións... Mais a cita era para setembro, e eu tiven novos episodios en febreiro, marzo, abril, maio, xuño, xullo...", lembra. Esta última foi especialmente aguda e, ante a demora na sanidade pública, N.C.M. avogou por acudir a un especialista en Uroloxía da privada. "Estivo comigo unha hora e media facendo diferentes probas para atopar o problema, algo que nunca me pasara nas consultas no Sergas, fíxome unha ecografía e aí descubriu que só teño un ril funcional; o outro non chegou a desenvolverse. E iso ninguén mo dixera até este momento", precisa. Consultas de tres minutos e medio para até 80 pacientes nun día: a sobrecarga no Sergas, denunciada no Tribunal Superior A causa das súas infeccións de ouriños crónicos aínda non se confirmou a 100%; porén, a doente celebra esta descuberta que "explica moitas das complicacións" que padeceu ao longo destes meses. Aliás, o constante salto "de antibiótico en antibiótico para ver cal podía funcionar" provocou a debilitación da súa flora vaxinal. "Iso fixo que incen as bacterias e pasen ao tracto urinario, desencadeando novas infeccións", sinala. Demoras de até un ano Como ela, centos de doentes teñen que agardar varios meses por unha ecografía xenitourinaria, unha das probas con maior lista de agarda no Sergas. Segundo os datos máis recentes, a 31 de decembro de 2021 —aínda non se fixeron públicos os rexistros do primeiro semestre de 2022—, 5.923 persoas agardaban, cunha demora media de 110,6 días por esta ecografía no conxunto do país, algunhas delas até máis de doce meses. No caso concreto da súa área sanitaria, a de Vigo, a lista de espera abranguía 1.719 persoas cunha media de 115,9 días, cifra que aumentou de forma considerábel desde a pandemia da Covid-19: en decembro de 2o19 había unha demora de 91,4 días para 1.601 doentes nesta área. E, botando a vista máis atrás, ao remate de 2014 eran 898 as que agardaban unha media de 75,4 días.
NOS_42178
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e os seus socios no proxecto ClimeFish presentaron os resultados do traballo realizado durante catro anos para facilitar a adaptación ao cambio climático nos ámbitos da pesca e da acuicultura en Europa. Foi na sede da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) tamén interesada no proxecto. Rosa Chapela adianta a Nós Diario algunhas das súas conclusións.
-Que é o proxecto ClimaFish? É un proxecto europeo e internacional que ten como obxectivo estabelecer medidas de adaptación ao cambio climático para a pesca e a acuicultura. A Comisión Europea considera unha prioridade atender estas cuestións no ámbito dos océanos. Démonos conta cando traballamos no proxecto de que hai moito en materia de protección das costas e no mundo do agro mais no ámbito da pesca e a acuicultura non hai aínda ningunha estratexia que estabeleza medidas de identificación dos riscos que vai supoñer o cambio climático nestes ámbitos. O proxecto conta con 21 estados socios de toda Europa mais Chile e Canadá. Repartíronse en diferentes estudos de caso desde Noruega e Islandia, pasando por Escocia e a Galiza onde tratamos o mexillón. Participaron axentes implicados como mariscadoras, mariñeiras e mariñeiros, asociacións e tamén a administración pública. Identificamos cales son os riscos que afectan a este sector e recomendamos como poder enfrontarse a eles, ben sexa modificando a lexislación actual ou estabelecendo plans de prevención. -A que conclusións se chegou con este estudo? A primeira conclusión foi que había que elaborar unha ferramenta para axudar a tomar decisións tanto para as administracións como para o sector. Era necesario tela para poder meter os datos que recompilamos e que poidan seguir introducindo organismos e o sector para facer proxeccións de aquí a 50 anos e ver cal é a evolución. Outra conclusión foi a de mostrar cales son os riscos para especies como o salmón, a xarda, a robaliza, a dourada e o mexillón. Houbo reunións con varias direccións xerais da Comisión Europea que están a preparar unha estratexia conxunta de adaptación ao cambio climático e incorporarán nela a pesca e a acuicultura. -Hai preocupación no sector? Este proxecto axudou a que o sector pesqueiro sentise o cambio climático como un problema. Sorprendeunos ver que para este tema, que non lles afecta agora mesmo ao peto, se involucrasen tanto. Hai concienciación de que é importante e hai que atallar agora o problema. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.
NOS_31213
O PACMA irá en solitario o 26X. Así o confirmou o partido animalista esta quinta feira através dun comunicado co que saía ao paso de informacións publicadas en distintos meios segundo as cales estaría a valorar a hipótese de confluír nunha candidatura conxunta con Podemos e Izquierda Unida.
No comunicado, pendurado no seu web, o PACMA critica que Podemos "en distintas rexións, continúa apoiando a tauromaquia, non tocou as leis de caza, continúa a sacrificar animais nas canceiras e o seu líder, Pablo Iglesias, ten dito que non pedirá a prohibición das touradas". O 20D, o PACMA obtivo un total de 220.369 votos ao Congreso, mentres que as súas candidaturas ao Senado se alzaron con case un millón de sufraxios. A formación animalista enfatiza, portanto, que continuará mantendo a súa "independencia" e que "non venderá os dereitos dos animais por un escano".
NOS_40973
O prezo da luz rexistrou onte un novo máximo. Mentres os custos da electricidade se converten nun dos máis importantes problemas de familias e empresas, as grandes corporacións enerxéticas rexistran beneficios máximos. A chave non está no gas, que representa 15% da electricidade, senón no modelo marxinalista.
O prezo da luz incrementouse en 1.025% no último ano. Segundo os datos achegados polo Operador do Mercado Eléctrico Ibérico (OMIE), a electricidade marcou na terza feira de 8 de marzo un prezo medio no mercado grosista de 544,98 euros megawatts, chegando entre as 19 e 20 horas do serán a un máximo de 700 euros megawatts. Neste sentido, a electricidade alcanzou o seu prezo máis baixo entre as 13 e 16 horas do serán, aínda así a uns niveis moito máis altos que hai un ano, cando o custo da luz se situou en 53,16 euros megawatts. A suba dos prezos O aumento dos prezos da electricidade déixase notar nos mercados domésticos e na actividade empresarial. A este respecto, nas últimas horas anunciouse o paro parcial da actividade en parte da flota de Celeiro, en Viveiro, e o total na siderurxia de Megasa en Narón. Porén, estas medidas non son novas, dado que boa parte das electrointensivas galegas, como Celsa na Laracha, Ferroglobe en Arteixo e Xeal en Cee, traballan desde hai meses moi por debaixo das súas posibilidades de produción. Os datos do mercado enerxético de onte amosaron que o gas non foi a tecnoloxía máis cara durante todo o día para xerar electricidade. Así, das 24 horas do día, o gas natural só foi a fonte de produción máis cara en oito, rexistrándose o prezo máis alto ás 19 horas da tarde pola tecnoloxía hidráulica. Nesta liña, o membro do colectivo Bidán Fernando Branco pregúntase "quen pode explicar que a xeración hidráulica que, coas centrais amortizadas, ten un prezo estimado de xeración de entre 3 e 7 euros megawatts oferte a súa produción a 700 euros, cun 10.000% de beneficio". Branco sinala a Nós Diario "que o mercado eléctrico, por decisión política, é marxinalista. O prezo de cada hora vén marcado pola última tecnoloxía necesaria para xerar a enerxía coa que atender o consumo previsto". "Neste escenario actual, e segundo o discurso oficial, o normal sería pensar que é o gas natural quen provoca os altos prezos", sinala Branco, quen nega esa opción e defende como alternativas a curto prazo "desligar o gas natural do mercado grosista e marcar un tope para o prezo da enerxía de orixe hidráulica, nuclear e eólica". "O que vén é preocupante" A profesora da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela Rosa Regueiro expón a Nós Diario que non quere "ser alarmista", mais o que vén, di, "é preocupante porque se está disparando o prezo da luz, afogando familias e empresas e se non cambiamos o modelo marxinalista isto non ten solución". "Isto era algo anunciado no modelo marxinalista", asevera Regueira, que destaca que "no caso do Estado español o gas non representa unha cantidade significativa, de feito só 15% da electricidade procede do gas, para alterar deste xeito a factura da luz". "A bomba que supón este sistema e a fixación de prezos estourou porque é absolutamente ineficiente e non pode ser que hidroeléctricas e hidráulicas sigan cobrando por custos que non soportan pero se lles remuneran", continúa Regueira, que denuncia "o produto financeiro especulativo no que se converteron os dereitos de emisión de CO2". O economista da USC Adrián Dios amósase convencido en declaracións a Nós Diario de que "as causa da alza do prezo da luz están nos mercados financeiros especulativos". A guerra de Ucraína "é unha coartada", defende Dios, que sinala que "onte vimos morrer o sistema marxinalista de fixación de prezos, un modelo que non pode funcionar ben para os consumidores porque está pensado para que as empresas eléctricas logren os máximos beneficios".
NOS_49517
Achegámonos ao río Tea, un dos principais afluentes do Miño, cuns 50 km de lonxitude e a peculiaridade de non ter ningún encoro na súa zona baixa, permite manter unha dinámica fluvial pouco alterada, especialmente para as comunidades de peixes. Nace na serra do Suído, no concello de Covelo, e percorre a comarca do Condado até desembocar en Salvaterra de Miño. Incluída na Rede Natura 2000, declarouse espazo de interese comunitario en 2001 polos seus valores naturais e a fauna e flora que acolle.
A boa conservación das súas augas e beiras ofrece condicións inmellorábeis para multitude de animais e plantas. Entre os invertebrados pódese destacar a presenza de tres libélulas pouco comúns e protexidas, como son a esmeralda espléndida (Macromia splendens), a esmeralda de Curtis (Oxygastra curtisii) e o candil de Graslin (Gomphus graslinii). Outra das xoias é unha das especies máis ameazadas da Galiza, o mexillón de río (Margaritifera margaritifera). Como xa apuntamos, e debido á continuidade do río, acolle unha comunidade de peixes de grande interese. Até ben avanzado o Tea os peixes non atopan ningún grande obstáculo, o que permite o remonte daquelas especies que viven no mar e soben aos ríos a reproducirse e desovar, caso do ameazado salmón (Salmo salar), o reo (Salmo trutta fario) ou a lamprea (Petromyzon marinus), acompañando outros como a troita ou a anguía. Da fauna de maior tamaño, a pouco que vaiamos prestando algo de atención, pódense atopar aves como e merlo rieiro ou o picapeixe, e as augas limpas e transparentes son o fogar tamén de mamíferos como a lontra (Lutra lutra) e o auganeiro (Galemys pyrenaica), especie esta última tamén catalogada como en perigo de extinción na Galiza. O roteiro Ten o río Tea multitude de rutas a facer, a que traemos vai desde a vila de Mondariz Balneario até os Pasos de Tatín, por un sendeiro á beira do río e baixo o bosque de ribeira. Saímos desde a vila cara ao río que cruzamos na Ponte Cruxón. Baixando por un pequeno camiño, collemos a pista de terra na marxe esquerda mirando augas arriba. Camiñamos uns dous quilómetros até chegar a unha área recreativa en que atoparemos a praia fluvial de Riofrío, bo lugar onde parar a descansar e tomar unha peza de froita antes de continuar. Despois do repouso seguimos río arriba até pasar baixo un dos arcos da Ponte do Val, e máis adiante pasaremos tamén baixo unha ponte metálica antes de chegar a Ponte Cernadelas, situada a algo máis de un quilómetro. É unha ponte de orixe romana que paga a pena parar a observar, e ten na marxe dereita outra praia fluvial, a do Ceo. Desde alí, por un dos treitos máis fermosos e salvaxes do río Tea, con pozas, rápidos e pequenas praias, alcanzamos os Pasos de Tatín. Se o nivel da auga o permite podemos cruzar os pasos, e atoparemos un muíño que aínda conserva parte dos elementos principais da moenda, onde, en ocasións, algún morcego descansa logo da actividade nocturna. Desde alí podemos desandar o camiño ou subir até o aparcadoiro, se somos un grupo numeroso e deixamos previamente un vehículo. A estrela, o bosque de ribeira A vexetación que medra de forma natural ás beiras do río Tea constitúe un elemento fundamental para o bo funcionamento do ecosistema fluvial. Cando desaparece, xeralmente produto da acción humana, os ríos perden unha parte moi importante de si mesmos converténdose, nos casos máis extremos, en meros condutos de auga de escorrenta. Por estes e outros motivos están protexidos os seus bosques aluviais de ameneiros e freixos e tamén as carballeiras galaico-portuguesas que xunto a diferentes especies de salgueiros e bidueiros, sanguiños, abeleiras, espiños ou loureiros achegan diversidade natural ao ecosistema. O que non se ve no río Tea No paseo polas beiras do Tea é probábel que non se observen mimosas, acacias negras ou matas de bambú, tan habituais na contorna, e en especial na conca baixa do río Miño. E aínda que algúns exemplares aparezan, serán moi poucos se as comparamos coas grandes manchas destas especies invasoras anos atrás. No ano 2008, o Proxecto Ríos coordenado na Galiza pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), iniciou un traballo de eliminación desta flora invasora que continúa na actualidade, nos tres quilómetros que van de Ponte Cernadela até os Pasos de Tatín. Paseniñamente, pero sen pausa, durante todo estes anos centos de persoas voluntarias axudaron a curar esa pequena eiva do río Tea, as invasoras. Na actualidade unha brigada da Dirección Xeral de Patrimonio Natural de Pontevedra ampliou ese traballo a todo o río Tea e parte próxima do Miño. A experiencia do traballo co voluntariado, a dos axentes e a coordinación entre ambos vén demostrar como con constancia é posíbel gañar terreo ás invasoras e recuperar o bosque de ribeira autóctono. Custodia fluvial Froito deste traballo, entre diversos sectores da sociedade, no ano 2014 asinouse na Galiza o primeiro acordo de custodia fluvial, entre unha asociación ecoloxista e un organismo de conca. "O Convenio entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Adega para realizar actuacións de custodia fluvial no río Tea, no Concello de Mondariz, entre Ponte Cernadelas e os Pasos de Tatín" é un modelo para avanzar nunha conservación colaborativa dos nosos ríos.
NOS_54975
Carta do president e dos 4 consellers deslocados a Bélxica ao pobo catalán, enviada xusto o día da comparecencia da presidenta do Parlament e dos membros da Mesa perante o Supremo baixo a acusación de rebelión por teren autorizado a tramitación da DUI. "Toca expulsar das institucións os que se quixeron apropiar delas cun golpe de Estado", afirman na misiva.
O Govern lexítimo de Catalunya continúa operativo e vaino facer até a plena restitución da democracia en Catalunya que pasa por expulsar das institucións representativas do país as forzas golpistas. Ese é o núcleo argumental da carta que Carles Puigdemont, Clara Ponsatí, Meritxell Serrat, Toni Comín e Lluís Puig dirixiron esta quinta feira ao pobo catalán. A actual situación do Govern -parte en prisión, parte no exilio- é "claramente contraria ao Estado de Direito e ao ordenamento da Unón Europea" e afasta aínda máis o Estado español "do grupo de países referentes de boas prácticas democráticas". Por que o Estado actúa como actúa? Por que activou unha "estratexia desesperada e extrema" perante a "firmeza democrática das institucións e a cidadanía de Catalunya"? A xuízo de Puigdemont e os seus 4 consellers porque "sempre defendimos que a vía democrática é a única que nos permite vehicular a lexítima aspiración da independencia de Catalunya". "Morta a democracia, morta a independencia, velaquí a súa esperpéntica estratexia", afirman. Para o Govern no exilio constitúe un "grave erro" do Estado español "pensar que a represión é o camiño para que unha boa parte dos cataláns abandonen as súas lexítimas aspiracións". "Poderán impoñerse fisicamente sobre nós, pero nunca poderán derrotar os nosos marcos mentais". Na represión participarían directamente os mass media unionistas: "Poderán humillarnos e asediarnos, a nós e ás nosas familias, respaldados polo perverso sistema mediático español, que ten imposto un relato de odio e de mentira permanente sobre as institucións políticas e as entidades soberanistas e cidadás, mais non poderán derrocar nunca as nosas aspiracións democráticas". Autocrítica Na misiva tamén hai espazo para a autocrítica. Puigdemont e os consellers admiten "a nosa falta de respostas rápidas perante os ataques desmedidos contra os representantes e as institucións lexítimas catalás", en alusión á aparente pasividade dos soberanistas nas horas inmediatamente posteriores á activación do artigo 155 por parte do Estado. "Mais asegurámosvos que continuamos fortes e en pé e que nin a vós nin a nós nos poderán roubar nen un chisco da dignidade coa que afrontamos estas horas difíceis das nosas vidas e da vida do noso país". Para reforzar esta imaxe de executivo plenamente operativo, anuncian na carta a posta en marcha dunha "estrutura estábel" para "coordenar as accións do Govern" visando aprofundar na liña de internacionalización co conflito e a denuncia da "politización da xustiza española", ben como "a súa vontade de perseguir as ideas". Críticas a UE por "amparar" a represión española "O tempo que pasaremos entre reixas españolas ou no exilio non será debalde se imos unidos máis que nunca na defensa de Catalunya e na denuncia democrática do Estado español, ben como dos abusos dunha UE que ten tolerado, e mesmo amparado de forma vergoñosa, as actuacións represivas españolas". Debuxa o Govern unha "folla de rota" clara por diante. Defender a democracia é o primeiro chanzo. "Infelizmente toca voltar a facelo, como xa aconteceu noutros momentos da historia, cando nos visitou o clan do 155 en forma de Primo de Rivera, xeneral Franco ou Filipe V". Segundo chanzo: expulsar democraticamente "das nosas institucións" a aqueles "que se quixeron apropiar delas por meio dun golpe de estado". Nesa perspectiva, e nun claro chamado a participar nos comicios do 21-D, o Govern no exilio afirma asumir as eleccións "que nos plantexa o Estado o día 21" como "un reto para recuperar a plena democracia sen prisións, sen vinganzas, sen imposicións, sen furia e chea de futuro, de diálogo e de acordo". O terceiro elemento basilar da "folla de rota" é "conseguir a liberación dos presos políticos que ten secuestrados o Estado español". "Non podemos desfalecer, non podemos ficar inmóbeis perante o sofremento dos seus fillos, das súas parellas, das súas familias, dos seus amigos e da súa xente, que somos todos nós", afirman ao tempo que apelan a unha participación masiva na "Diada Nacional per la Llibertat" convocada o próximo sábado en Barcelona.
PRAZA_739
A súplica introspectiva e incessante da igreja latina foi ultrapassada pola sua versom ortodoxa que o misticismo eslavo conseguiu elevar a cimos de máximo esplendor devocional e musical: Gospodi pomilui é a fórmula venerada desde o canto eslavónico mais primitivo até a sumptuosa liturgia musical ortodoxa
Principia Rudolf Otto a sua investigaçom sobre o conceito do sagrado1 citando o mestre teólogo Friedrich Schleiermacher, (1768–1834) para quem, o caminho para compreender a divindade decorre polo sentimento humano de dependência e a via intuitiva. Tal sentimento de dependência tem para Otto um carácter muito particular e radical que nada tem a ver com a banal sensaçom das carências ou insuficiências persoais experimentadas senom com essa apaixonada intensidade com que é formulada por Abraám: "Eis que me atrevi a falar ao Senhor ainda que sou pó e cinza" (Bíblia de Almeida, ERC, Génesis 18, 27). Aludem Schleiermacher e Otto à sensaçom de desamparo radical que rondou a Pascal de por vida e tingiu de agudo desassossego os seus Pensées. O cristianismo transmitiu desde a sua origem esse radical sentimento de dependência que vibra como bordom obrigado no sentimento religioso mais autêntico mediante umha fórmula quase perfeita que acabaria consagrando-se como o paradigma da oraçom atribulada da comunidade orante: Kyrie eleison, Senhor tem piedade. O Kyrie é a mais perfeita fórmula do sentimento de desamparo na nossa tradiçom religiosa, ao ponto que ter chegado a nós convertida em sintagma consagrado e insuperável. Foi-nos transmitido sem modificaçom no seu formato grego originário, nunca mudou, nem o sagrado latim ousou modificar as divinas palavras. A repetiçom rítmica da fórmula aponta a um estado de consciência ensimesmado e meditativo: Kyrie eleison, Christe eleison... Seria possível conceber fórmula ritual mais persistente e insistente que esse sussurro de desamparo que atravessa toda a história da cristandade? Desde o canto gregoriano até as prodigiosas catedrais sonoras da Missa em Si menor de Bach (1749), o Requiem de Mozart (1791) ou a Missa Solemnis de Beethoven (1805) confirmam a insuperável potência do Kyrie como súplica de desamparo e submissom, como alusom ao numinoso, na interpretaçom de Otto. E contodo, a súplica introspectiva e incessante da igreja latina foi ultrapassada pola sua versom ortodoxa que o misticismo eslavo conseguiu elevar a cimos de máximo esplendor devocional e musical: Gospodi pomilui é a fórmula venerada desde o canto eslavónico mais primitivo até a sumptuosa liturgia musical ortodoxa. Ninguém que tenha escuitado as Vésperas de Sam Joám Crisóstomo de Sergey Rachmaninov pode permanecer indiferente às poderosas vagas vogais do Gospodi pomilui. O inimitável esplendor das Vésperas ortodoxas: Grechaninov, Tchaikovsky e, Rachmaninov por cima de todo. Puro fervor de exilado da pátria espiritual perdida que a liturgia pretende actualizar. Estranho país a imensa Rússia. Lemos os Relatos de um peregrino russo2. Um piedoso itinerário físico e espiritual redigido a meados do século XIX na esteira da tradiçom contemplativa hesicasta (de hesychia: quietude) da espiritualidade ortodoxa. O relato é, em essência, um breviário para o aprendizado da oraçom interior incessante como caminho místico para alcançar a perfeita quietude e paz do orante. O peregrino do relato, um starets ou mestre espiritual, tenta explicar a via de acesso a este estado de sabedoria interior que também foi cultivada pola filosofia budista e zen. Para o aprendiz de místico nom cabem meias tintas. As possessons materiais do peregrino som exíguas: "um surrom de pam seco ao lombo e umha bíblia ao peito, nada mais". Começa o relato sem mais preámbulos com três citas sagradas que ocupam a atençom do starets: "Orai sem cessar" (1 Te, 4, 17), "Orando em todo o tempo, com toda a oração e súplica no Espírito" (Ef, 6, 18), "Quero, pois, que os homens orem, em todo o lugar, levantando mãos santas" (1 Ti, 2,8), citas que eu transcrevo da Bíblia portuguesa de Almeida, ERC. O peregrino nom pretende interpretar o texto sagrado, a sua tarefa é mais prática: procura um guia ou vade-mécum de acçom para aceder à autêntica paz de Deus. A sua intençom é pô-lo à prática sem hesitaçons: aprender a orar como nos foi indicado a fim alcançar a beatitude prometida. O programa do peregrino é exigente, nom admite desculpas nem demoras. Por isso deambula por caminhos e mosteiros perguntando aos homens santos, explorando palavra a palavra os evangelhos em busca do verdadeiro método da oraçom a fim de alcançar essa disposiçom de ánimo que o apóstolo demandou: orar em todo tempo, em todo lugar, em forma incessante. Mas, será sequer possível para um ser humano a oraçom contínua. Medita o aprendiz de stárets. "Eu dormia mas o meu coração velava", repara o peregrino no Livro dos Cantares, 5, 2. A insónia de amor transmutada em vigília permanente como o ar que respiramos sem sentir. Essa é a meta, compreende finalmente o peregrino russo. Um homem santo o instrui, deve o aprendiz repetir com plena concentraçom e valendo-se de um rosário a prece santa, três mil vezes ao dia, para principiar, seis mil depois de um tempo de adestramento, e depois doze mil. Sem presas, acompassando o bater do coraçom e a respiraçom. A final este prosseguia sem esforço, como a própria respiraçom. Em 1782 aparecera em Veneza unha obra, a Filocalia – o amor da beleza que reunia textos dos Padres do deserto que inspirárom a vida monacal. É daí de onde procede a oraçom do coraçom, como também foi conhecida essa prática ascética da oraçom incessante. Um dos relatos da Filocalia é o do peregrino russo, o qual irá ganhando audiência a partir dos primeiros anos do século XX, a maneira de breviário de espiritualidade filocálica. A singeleza e fervor dos relatos do peregrino prendérom na apaixonada intelectualidade russa: Gogol, Dostoievski, Tolstoi, Soloviev contam-se entre os leitores atentos do opúsculo. Os estudiosos da crónica espiritual do caminho místico em procura da oraçom de Jesus situam o centro de irradiaçom do culto no mosteiro de Óptina, Kozelsk, ao sudoeste de Moscovo. O mosteiro, famoso polos sucessivos starsi que ali exercérom o seu magistério foi residência transitória dos grandes escritores russos. O stárets Zósima do romance de Dostoyevski Os irmaos Karamázov (1878-1880) está inspirado no monge Ambrosi de Óptina (1812-1891) igual que o Padre Sergio (1899) romanceado por Tolstoi. A Filocalia monacal impregnou a incandescente intelectualidade do imenso império dos czares a um extremo inconcebível para a nossa mentalidade. A espiritualidade monástica latina é inevitavelmente beneditina e, como tal, judiciosa e moderada. Em plena efervescência espiritual chegou o ano 1917. No ocidente latino o Kyrie encontrou o seu fogar definitivo na grande música e a liturgia, na oriental o Gospodi passou em seguida a converter-se em sinal de actividade contra-revolucionara, assanhadamente perseguida pola polícia política e os delatores. Notas Rudolf Otto (1985): Lo Santo. Lo racional y lo irracional en la idea de Dios, Alianza Editorial, Madrid Anónimo (2010): Relatos de un peregrino ruso, Alianza Editorial, Madrid.
NOS_35416
O avance da inmunidade contra á Covid dos grupos de idade máis novos dependerá do volume de doses que cheguen á Galiza. A Xunta espera ter vacinada a maioría da poboación maior de 14 ou 15 anos en outubro.
O proceso de inmunización fronte á Covid-19 avanza na Galiza. Máis de 72% da poboación diana xa conta coa pauta completa, o que supón 1.778.099 persoas inmunizadas. Ademais, recibiron polo menos unha dose 1.632.485 persoas maiores de 40 anos, que representan un 94,9% de 1.720.101 susceptibles de vacinarse. Vacinación da pobaoción moza Mentres se estende a vacinación ao grupo de idade de entre 20 e 29 anos, o que acumula maior incidencia do coronavirus na Galiza, cuxa primeira dose xa recibiron perto de 72.500 persoas, e se axiliza a inmunidade da poboación de entre 16 e 22 anos mediante o sistema de autocita, o Goberno galego comeza a facer as primeiras estimacións de cara ao inicio de curso escolar. Así, sobre se os escolares poderán acceder ás aulas en setembro xa vacinados e se isto afectará a unha relaxación dos protocolos de medidas de seguridade, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou nunha entrevista concedida a Europa Press que o ritmo de avance na inmunidade dos grupos de poboación máis novos dependerá das vacinas que reciba Galiza, mais adiantou que no outono xa haberá estudantes de instituto vacinados. Maiores de 15 anos "Que pensamos que en outubro poderiamos ter á maioría de poboación vacinada cunha ou dúas doses de 14 ou 15 anos para arriba? Si, é o que pensamos", afirmou o presidente galego, quen non se atreve a fixar unha data para que se poida dar por asegurada a inmunidade colectiva no conxunto do territorio, que a comunidade experta xa sitúa en 90 ou 95% de persoas inmunizadas. Todo vai depender das vacinas, dixo. Así, se hai máis doses e en agosto "empezan a chegar" as vacinas de Pfizer comprometidas por Sánchez as previsións poderían empezar a mellorar e "moverse algunhas semanas", asegurou. Variante Delta Núñez feixoo cualificou de "erro, precipitación e frivolidade" que o Goberno falase "dunha inmunidade no 70%" e volveu apelar á prudencia, sobre todo entre os máis novos. "Os médicos fálannos da enorme intensidade da variante Delta e de que ninguén pode asegurar que nas próximas semanas non haxa variantes aínda máis agresivas e contaxiosas", aseverou.
NOS_1433
O xuíz instrutor propón xulgar aos ex-tesoureiros Álvaro Lapuerta e Luís Bárcenas por delitos fiscais e de apropiación indebida.
Pablo Ruz, xuíz instrutor da causa pola que se investiga o financiamento irregular do Partido Popular, deu por concluída esta segunda feira a instrución do caso e propón xulgar os ex-responsábeis de finanzas, Álvaro Lapuerta e Luíz Bárcenas, xunto co ex-xerente da formación, Cristóbal Páez. Aliás, o maxistrado tamén propón o xulgamento dos responsábeis da empresa Unifica, o estudo de arquitectura que levou a cabo a reforma na sede de Génova e cuxo custe foi sufragado con 1,7 millóns de euros 'en B'. No auto publicado, Ruz apunta tamén o propio Partido Popular como responsábel civil subsidiario por non ter declarado as doazóns que ilegalmente foron ingresadas no 2008 e polas que non terían tributado. Neste senso, Ruz tamén achega a imputación de 22 empresarios que aparecen como doantes nos papeis de Bárcenas. Para alén disto, o maxistrado abre unha causa separada que envía ao xulgado de Toledo en relación cun posíbel delito de prevariacións. Segundo o auto de Ruz deberase investigar unha adxudicación presuntamente irregular do servizo de recollida de lixo. A concesionaria, unha filial de Sacyr --SUFI-- tería ingresado na caixa B do Partido Popular 200 mil euros coincidindo coas eleccións autonómicas de 2007 na que foi eleita presidente da comunidade, María Dolores de Cospedal. Así as cousas, o xuíz entende que non existen elementos suficientes para proceder contra persoas aforadas polo que o proceso continuará nun tribunal ordinario.
QUEPASA_658
A Costa da Morte, en conxunto, ronda dos 500 casos por cada 100.000 habitantes
Analizamos hoxe polo miúdo os datos que ofrece o novo mapa da Xunta, que ofrece datos concello a concello sobre os novos casos diagnosticados por PDIA (Probas Diagnósticas de Infección Activa) nos últimos 14 días. Unha cifra que nos permite sacar a Taxa de Incidencia na que se basea o Comité Clínico para aplicar ou eliminar as restricións.A cifra clave que nos permite analizar como estamos é a de 250 casos por cada 100.000 habitantes, a partir da cal a Xunta comeza a aplicar as restricións que xa sofren Vimianzo e a comarca de Bergantiños. O Comité espera baixar por debaixo dos 150 casos para eliminar as restricóns, unha cifra que queda moi lonxe da situación actual. Agora mesmo a comarca de Bergantiños está nunha taxa de 818 novos casos por cada 100.00 habitantes, con concellos como Cabana ou Coristanco que superan os 1.300 casos. Vimianzo ronda os 440 casos (a pesar de levar xa 3 semanas de peche perimetral e da hostalería), e en total, os 19 concellos que cubrimos da Costa da Morte rondan unha media de 500 casos por cada 100.000 habitantes. Cifras que nos obrigan a ser moi cautelosos á hora de valorar a posible reapertura das zonas confinadas do vindeiro 4 de decembro, data formulada pola Xunta para reformular a situación. Igualmente, segue habendo, coma onte, 9 ingrensados por COVID no Hospital Virxe da Xunqueira. Entrevista Juan Jesús Gestal Otero: "É moi importante que agora procuremos estar confinados". Máis novas do COVID 22-01-2020: COVID: A Costa da Morte rexistra 685 casos positivos. 20-11-2020: COVID: Laracha súmase ás restricións da comarca de Bergantiños. 20-11-2020: COVID: Falece un home de 88 anos no HVdX. 19-11-2020: COVID: Os alcaldes de Bergantiños piden máis cribados, con conclusións, para parar o avance do virus. 18-11-2020: COVID: Vimianzo ponse en laranxa pero a cousa non mellora en Bergantiños. 17-11-2020_ COVID: 9 Concellos sen alerta sanitaria. 15-11-2020: COVID: Laracha tamén se pon en Nivel 3. 13-11-2020: A Xunta activa o peche permitral e da hostalería de 6 concellos de Bergantiños. 13-11-2020: COVID nos Centros de Ensino: 99 casos activos e 10 aulas pechadas. 12-11-2020: A Xunta avisa do "máis que probable" peche da actividade non esencial nos 5 concellos en Nivel 3 da comarca Bergantiños. 12-11-2020: COVID: Dumbría ponse en cor amarelo; Cee e Santa Comba saen do nivel vermello- 11-11-2020: O Sergas realizará este sábado un cribado masivo en Malpica . 10-11-2020: COVID: Coristanco ponse en vermello. 09-11-2020: COVID: 7 Concellos en Alerta Vermella (Cee únese á lista) e 19 ingresados no HVdX. 08-11-2020: COVID: 6 concellos en alerta vermella. 06-11-2020: COVID: Cabana tamén en nivel 3, e só 5 concellos sen alerta COVID. 05-11-2020: COVID: Carballo, Malpica e Vimianzo, en Nivel 3, quéixanse da desinformación. Santa Comba entre Nivel 2 e 3. 04-05-2020: Carlos do Celme Café: "Xa nos mataron en vida". 03-11-2020: COVID: Malpica tamén se sitúa en Nivel 3 de Alerta sanitaria. 02-11-2020: COVID: 13 concellos xa afectados na comarca. 30-10-2020: Vimianzo, primeiro concello costeiro que sofre o peche perimetral. 28-10-2020: COVID: 10 concellos afectados, 45 positivos en centros de ensino, e 4 hospitalizados no HVdX 26-10-2020: COVID: 9 Concellos xa afectados; A Laracha, Carballo, Muros e Vimianzo en nivel 3. Un novo estado de alarma para unha nova onda. 24-10-2020: COVID: 6 concellos afectados na comarca, nos que Malpica e Muros soben a nivel 2
PRAZA_7048
ENTREVISTA Guadi Galego publica este martes Lúas de outubro e agosto, o seu segundo álbum en solitario tras Benzón (2009).Falamos con ela
Guadi Galego está de regreso. Vén de publicar Lúas de outubro e agosto, o seu segundo álbum en solitario tras Benzón (2009) e despois de ter participados en proxectos colectivos tan celebrados como Nordestinas, Espido e aCadaCanto. Lúas de outubro e agosto (Fol Música) ponse á venda este martes 25, pero xa dende hai unhas semanas adiantou o seu primeiro tema e vídeo, Matriarcas, un canto ás mulleres galegas. Guadi Galego preséntase nesta obra como unha artista máis madura, unha experiencia e uns sentimentos que se reflicten en cada unha das pezas. Como ela mesma destaca nesta entrevista, "quero pensar que conservo a ilusión que convive coa madurez do vivido, o que toca vivir por que che vén e o escollido. Todo iso convértete no que es, a vida vivida, pero a esencia está sempre". Como e con que sentimentos naceu este disco? Este disco nace no verán do 2014 cos mesmos sentimentos de sempre darlle soporte a música que fago, co único o obxectivo de facer algo sincero. En que se parece en que se diferencia de Benzón? Bufff. Creo que en pouco agás que a cantante é a mesma (ri) "Quero pensar que conservo a ilusión que convive coa madurez do vivido, o que toca vivir por que che vén e o escollido. Todo iso convértete no que es, a vida vivida, pero a esencia está sempre" Que cambiou e que queda da Guadi Galego que empezaba na música hai 15 anos? Queda todo, máis todo se transforma e muda de forma. Quero pensar que conservo a ilusión que convive coa madurez do vivido, o que toca vivir por que che vén e o escollido. Todo iso convértete no que es, a vida vivida, pero a esencia está sempre. Evidentemente a formación e o estudo tamén te fan mudar. A maternidade tamén cobra un papel fundamental neste traballo, non si? Evidentemente eu non sería quen son nesta etapa da miña vida sen os meus fillos e iso vese reflectido na miña música pero non é o leitmotiv do disco. Enfróntaste de forma moi distinta a un disco en solitario, como este, e a outros proxectos máis colectivos (Nordestinas, Espido…)? Se cadra non conscientemente. Eu adoro partillar na vida e no traballo e así na música, síntome máis segura cando teño coresponsabilidade. Pero afrontar un traballo ti soa tamén che dá unha liberdade distinta, máis eu creo na negociación sempre (ri) Artisticamente crieime nunca banda de sete... "A muller está presente en todo o que ten que ver coa sociedade, a economía familiar e a sensibilidade. O matriarcado está no subconsciente da colectividade" É real o matriarcado en Galicia? Que impacto ten na nosa forma de existir como sociedade? Si rotundo, segundo o dicionario da RAG matriarcado é o réxime social, político e xurídico no que a nai, e en xeral a muller, exerce un papel preponderante na familia e leva a xestión do poder na sociedade. Alguén ten algunha dúbida de que Galiza é un matriarcado? En canto ao impacto que ten na sociedade, é evidente que non sempre en presenza pero si en esencia a muller está presente en todo o que ten que ver coa sociedade, a economía familiar e a sensibilidade. O matriarcado está no subconsciente da colectividade. Dixeches nunha entrevista recente que este é un "disco de pop feito por unha galega". Cómpre ampliar o concepto que habitualmente entendemos por pop (seguramente un chisco degradado), axustando as súas costuras a outras formas de cantar e facer música? O termo pop ven directamente de música popular. Asociamos pop á música que derivou do rock a partires dos anos 50 pero neste momento o pop, ao igual que outros xéneros, teñen cada vez menos limitacións estilísticas e abranguen unha gama de cores que flutúa ao gusto persoal do artista. Que ten que ver o pop lixeiro de Bustamante co pop de autor de Quique González? Cumpriría unha análise máis profunda. Quero pensar que o meu pop de autora é un chisco sofisticado e con cheiro a música popular. "Berrogüetto é banda sonora dunha xeración deste noso pobo que sen dúbida xa fixo historia pero por sorte en vida" Hai uns meses asistimos á disolución de Berrogüetto. Que representa para ti e para a historia da música galega? A historia escríbea o pobo, quero pensar. E Berrogüetto é banda sonora dunha xeración deste noso pobo que sen dúbida xa fixo historia pero por sorte en vida. O que representa para min é parte importante do que son como artista e ter a sorte de ter formado parte dunha das bandas máis potentes do panorama folk europeo, unha banda que no seu tempo foi rupturísta. Non é pouco. "Estamos esquecendo a cultura de base, que é a que crea canteira e público cultural" Como valoras a saúde da música galega, tanto no aspecto artístico, na súa calidade, coma nas súas estruturas? A nivel de músicos, cantantes e interpretes, hai moi bo nivel, boto de menos un pouco máis de risco pero non é fácil debido ao desamparo. Estamos esquecendo a cultura de base, que é a que crea canteira e público cultural. Os profesionais botan os bafos por sobrevivir nun panorama inhóspito. É difícil que che paguen por tocar. É complexo sacar un mínimo para vivir cuns impostos desaforados e nunha sociedade que ten prioridades básicas. Esquecemos a miseria que moita xente sofre, é máis doado e rendible ver fútbol.
PRAZA_14041
Na súa portada fala de "lexislatura perdida" para Ourense e no seu editorial, titulado El anunciado final de Feijoo, o xornal acusa o presidente da Xunta de mentir e afirma que do seu mandato Galicia "sae moi mal parada". É un paso máis nunha liña, nos últimos meses, moi crítica.
"Foi este un desenlace revelador para un mandato do que Galicia sae maltreita e sen nada bo no balance, agás talvez este final adiantado". Así remata o editorial que este martes publica o xornal ourensán La Región en relación co adianto electoral anunciado o luns por Alberto Núñez Feijoo. A crítica comeza xa na portada, que se abre a cinco columnas co titular "21 de outubro: Eleccións tras unha lexislatura perdida para Ourense". A cabeceira ourensá sempre estivo próxima aos Baltar e no último ano foron varias as portadas e novas críticas coa xestión do presidente da Xunta, sobre todo relativas ao que entendían como trato discriminatorio da Xunta cara á provincia de Ourense, mais non só. Foi moi comentado, ademais, o nerviosismo amosado polo presidente da Xunta na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta ante unha pregunta de Xabier Blanco, que realiza a información política de La Región en Compostela, sobre o gasto de Núñez Feijoo en asesores persoais, un total de 2,3 millóns de euros anuais, segundo o xornal. O editorial ábrese acusando a Feijoo de mentir: "decidiu onte desmentirse unha vez máis, recrearse nun dos seus exercicios favoritos (a mentira) e convocar eleccións autonómicas anticipadas para o próximo 21 de outubro, tal como adiantara La Región hai meses, aínda que o mandatario galego se amosou visiblemente irritado, negou a maior e tratou de poñer en tea de xuízo este diario". Ademais, o texto cualifica a decisión de "o final agardado despois dun mandato do que Galicia sae moi mal parada e no que a Galicia interior viu como se agrandaba a discriminación histórica que condea o seu futuro e lastra calquera posibilidade de desenvolvemento en igualdade de condicións que outras áreas mimadas sempre polo poder central e o autonómico. Unha discriminación que Feijóo multiplicou". O editorial fala de "unha xestión de tres anos e medio chea de erros e mentiras levaran o presidente galego a un labirinto para o que carece de saídas" O xornal tamén afirma que Feijóo "comezou a lexislatura presumindo de austeridade na acción de goberno, unha austeridade que non fixo senón castigar duramente o sector privado e as familias, sen poñer couto ao verdadeiro despilfarro da Administración autonómica". Engade ademais que "o adianto das eleccións autonómicas en Galicia nada ten que ver co interese xeral e si co do persoal de Alberto Núñez Feijóo" e conclúe que "unha xestión de tres anos e medio chea de erros e mentiras levaran o presidente galego a un labirinto para o que carece de saídas. Cos tempos que corren e as dolorosas medidas que se aveciñan, a súa situación tan só era susceptible de empeorar, cercenando toda posibilidade de revalidar o poder".
NOS_35793
Preocupación no sector do mar. A chuvia arrastra as cinzas a ríos e rías, afectando desde a toma para auga potábel (como ten acontecido hai meses en Verín e s Neves) até os bancos marisqueiros.
Os incendios de 2006 calcinaron miles de hectáreas, un lume cunha virulencia como había tempo que non se vía. Após de días de combate contra as lapas, logrouse sofocalos. Extintos os incendios, semellaba que acababa o perigo. Mais axiña se comprobou que non, e que un novo desastre pairaba sobre Galiza por mor das consecuencias dos incendios. Viñeron as chuvias e arrastraron cinzas e lodos dos montes queimados até o mar, onde provocaron importantes mortandades en bancos marisqueiros das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo. Ese é a preocupación que aniña tamén agora no sector do mar e que xa teñen expresado patróns maiores como o de Carril ou directivos de organizacións mexilloeiras e agrupacións marisqueiras. Os incendios que asolaron zonas costeiras como o sur de Pontevedra deixaron grandes superficies calcinadas, en cinzas. Se agora veñen chuvias fortes, todos eses residuos poden chegar levados pola escorrentía a regatos, ríos ou directamente ao mar. Afectando bancos marisqueiros a pouco de comezar a campaña de Nadal. Ten pasado noutras ocasións, non só en 2006. Como en 2013, após o gran incendio en Monte Pindo, cuxas cinzas acabaron afectando zonas de ameixa e berberecho en Muros. Unha situación que tamén se deu, e por non cambiar de exercicio, en Rianxo e Boiro, como recoñeceu a propia Xunta, con mortandade de bivalvos. Mais a cinza dos incendios tamén pode xerar outros problemas. Como este mesmo ano en Verín, sen auga potábel ao afectar as cinzas do incendio o río de onde se subministraba. O que tamén aconteceu en 2016 nas Neves, por poñer so outro exemplo.
NOS_29907
Centos de traballadores concéntranse en Barcelona para denunciar os efectos da aplicación do artigo na actividade e prestación de servizos públicos.
Centos de traballadores públicos concentráronse na Praza de Sant Jaume de Barcelona para protestar contra a aplicación do artigo 155 e a "suspensión da autonomía" que isto supuxo. Denuncian que está a ter un efecto directo no funcionamento ordinario da administración catalá e que altera a prestación de servizos públicos. "Fóra ocupas das consellerías" foi unha das palabras de orde da mobilización, na que se demandou a liberdade "inmediata" dos membros do Govern encarcerados así como a retirada do proceso xudicial que afecta estas persoas. Os funcionarios plasmaron nun manifesto a súa preocupación e rexeitamento á aplicación do 155, que consideran un "ataque directo" aos traballadores da administración catalá e unha "clara vulneración" dos seus dereitos laborais ao alterar a cadea de mando. "Imposibilítase o funcionamento normal da administración", afirman.
PRAZA_3833
A empresa Oxidoc quebrou e os seus restos seguen dependendo dunha administración concursal, se ben algúns dos seus produtos continúan no mercado. Entre eles, máscaras que nas últimas semanas recibiron concellos como Vigo e Lugo que, segundo sinalaron, estaban "caducadas"
A nave do polígono compostelán do Tambre na que se produciu o roubo de máscaras e outro material sanitario pertencera á empresa Oxidoc Exclusivas. A compañía presentábase hai unha década como experta en "equipos de reanimación, botequíns para primeiros auxilios, produtos médicos-sanitarios e equipos de protección individual". Fundada en Mallorca a mediados dos anos 80 do século pasado, adquiriu sona coa venda de desfibriladores e abriu sucursais por todo o Estado entre elas, a compostelá, pero no ano 2012 entrou nun concurso de acredores cargando cunha débeda que, segundo fora publicado na época, superaba os 30 millóns de euros. En 2014 a prensa local mallorquina sinalaba que apenas lle quedaban tres traballadores no medio dunha crise irrecuperable.A empresa Oxidoc quebrou e os seus restos seguen dependendo dunha administración concursal, pero outras partidas dos seus produtos continúan no mercado. Entre eles, máscaras que nas últimas semanas recibiron concellos como Vigo e Lugo que, segundo sinalaron, estaban "caducadas"Os restos da empresa continúan baixo administración concursal dependente dun xulgado das Baleares, o mesmo ao que a unidade de Policía adscrita á Xunta tivo que pedir autorización para acceder ao seu interior cando, segundo explicou este luns, soubo da existencia de material sanitario no seu interior que podía ser utilizado na loita contra o coronavirus. Cando accedeu a ela, atopouna "desvalixada".A petición chegou no medio dun mercado de competencia salvaxe a nivel mundial para acceder a elementos como as máscaras sanitarias. O mesmo mercado no que o propio Goberno galego opera para tentar conseguir materiais. Algúns deles, importados da China inicialmente pola propia Oxidoc cando aínda estaba operativa e pertencentes a outras partidas e fabricantes diferentes dos do material roubado.Mostra disto é que algúns dos paquetes de máscaras ou luvas que recibiron concellos galegos nas últimas semanas teñen nos seus envases a referencia de Oxidoc como importadora dos produtos dende a China. Así sucedeu, por exemplo, nos concellos de Lugo e Vigo, que recibiron máscaras da Xunta coa referencia desta compañía e data de caducidade do ano 2014, como amosan as imaxes que acompañan estas liñas. Ambos gobernos locais fixeron públicas as súas protestas por recibiren materiais "caducados"A nave permanecía á venda nunha inmobiliaria composteláA Xunta retrucou, no caso de Vigo, reclamando "lealdade" o consistorio e asegurando que os equipos estaban en condicións de seren usados. Mentres, en Lugo admitiron que parte do material mercado polo propio Goberno galego podía ter defectos e podería ser substituído se era preciso. A Xunta apenas contratou directamente con Oxidoc, os seus contratos coa compañía remóntanse a hai máis dunha década e por importes escasos para a adquisicións de luvas para o Sergas.Unha nave á venda como "ganga"Alén do material, a nave compostelá na que se produciu o roubo levaba longo tempo "pechada", segundo a Policía. A instalación está aínda actualmente á venda como parte do catálogo dunha inmobiliaria da cidade, Inmofiestras, por 475.000 euros, con 1.200 metros cadrados de superficie útil. A inmobiliaria preséntaa como "un chollo, una ganga", unha instalación "totalmente diáfana" e "con moi pouco uso" e apenas "doce anos de construción". O contacto da inmobiliaria permaneceu pendurado nos accesos da propia nave, agora precintados pola Policía. O xornal local El Correo Gallego vincula esta empresa co roubo.
NOS_19252
A lexislatura popular á fronte da Xunta deixou unha especial pegada na mocidade, un sector da poboación que nestes tres anos e medio sufriu un incremento do desemprego do 13% para alén de volver ter na maleta a súa única opción laboral en moitos casos
"A mocidade é o núcleo do noso proxecto para Galicia". A afirmación de Núñez Feijóo hai uns días é idéntica á que xa pronunciara na campaña electoral de 2009 nun acto con moz@s en A Coruña. Desde aquela e até agora, a mocidade foi un dos sectores onde se deixou notar con especial intensidade o facer, ou desfacer, do goberno popular na Xunta da Galiza. Desemprego e emigración volven ser dous conceptos que Feijóo logrou volver ligar á mocidade. Como nas mellores épocas de Fraga. Baixo o mandato de Núñez Feijóo o desemprego xuvenil disparouse nun 13%, un medre moi por riba do aumento do paro xeral. @s moz@s, outra volta, como principais prexudicados. De feito, e segundo amosan os propios datos oficiais, o 42 por cento das persoas de menos de 25 anos están no desemprego. E o traballo que hai é, en boa medida, precario, de baixa calidade e cunha remuneración escasa. O pasado mes de setembro, das persoas rexistradas no paro, pola volta de 20.000 tiñan menos de 25 anos. Salarios baixos Un informe da CIG correspondente ao ano 2010, un 15 por cento das persoas asalariadas da Galiza cobraban a metade do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). A maior parte deles, mozos. Esta precariedade no traballo, que marca a condición de moit@s moz@s que teñen emprego explica en boa medida que, como sinala un estudo da Universidade de Compostela (USC) de 2011, o 80% da mocidade galega dependa económicamente dos seus país. Só un de cada cinco mozas e mozos de entre 17 e 29 anos vive exclusivamente dos seus ingresos. Albo dos primeiros recortes Cando a crise comezou ensinar as súas gadoupas, o goberno popular atopou a oportunidade de comezar a aplicar recortes e supresións, ou ben valeirar de contido, servizos en diferentes eidos xuvenís. Desde o Noitebús até os centros Quérote, pasando polos progranmas específicos de procura de emprego ou os formativos. Nesta liña, e nun aspecto tan importante non só laboralmente para a mocidade senón tamén para o desenvolvemento do país como é o I+D+i, os recortes da Xunta tamén deixaron pegada. Un exemplo disto é que só na Universidade compostelá xa hai agora 358 investigador@s menos que cando Feijóo chegou á Xunta. E a maleta Un escenario como o existente nestes tres anos e medio de mandato de Núñez Feijóo tamén tivo outra consecuencia devastadora na mocidade: A emigración. Moz@s galeg@s volveron abandonar o país para procurar un futuro. Segundo os datos do propio Instituto Galego de Estatística, en 2010 pola volta de 10.000 xóvenes abandonaron Galiza con destino a outros territorios do Estado, e 4.600 marcharon ao estranxeiro. Xa en 2009 o número de moz@s que tiveron que coller a maleta superaban os 10.000. Ao longo destes tres anos e medio, pola volta de 60.000 moz@s galeg@s tiveron que marchar do país.
PRAZA_13465
Ao redor das oito e media da tarde, unha vez que a Academia conclúa o seu pleno ordinario, coñecerase o nome do ou da homenaxeada no vindeiro ano. Carlos Casares, Roberto Vidal Bolaño, Antonio Fernández Morales, Xosé María Díaz Castro, Carvalho Calero ou mesmo Rosalía... As apostas están abertas.
A Real Academia Galega celebra esta tarde un plenario ordinario no que, entre outros temas, debaterase e decidirase o nome do ou da homenaxeada no Día das Letras de 2013. Será o momento de ir comezando as homenaxes, estudos e publicacións sobre a figura que se escolla recoñecer, aínda que os actos dedicados a Valentín Paz Andrade aínda terán continuidade neste 2012, coa celebración, por exemplo dun congreso científico organizado pola propia RAG. A decisión darase a coñecer ás oito e media nunha rolda de prensa. Tanto pola súa produción literaria en case todos os xéneros, coma polo seu labor institucional (na RAG, Consello da Cultura...) e editorial (Galaxia), Casares é o gran favorito para as Letras 2013 As apostas están abertas e son moiro os nomes que nos últimos meses se puxeron riba da mesa, aínda que sempre existe a posibilidade de que o escollido ou a escollida sexa alguén no que case ninguén pensa. O favorito, necesariamente, é Carlos Casares, para quen o 2013 parece estar sinalado dende hai anos. Falecido en marzo de 2012, é a edición das Letras do vindeiro ano a primeira na que podería ser homenaxeado, transcorrida unha década xa dende o seu pasamento. Hai uns meses a súa viuva e presidenta da Fundación Carlos Casares, Kristina Berg, dicía nunha entrevista en Praza que "Carlos era membro da Academia, fixo un gran traballo alí e foi escritor. Por todo iso, penso eu que cumpre os requisitos, pero será a Real Academia Galega quen decida". Tanto pola súa produción literaria en case todos os xéneros, coma polo seu labor institucional (na RAG, Consello da Cultura...) e editorial (Galaxia), Casares é o gran favorito para as Letras 2013. Este xoves entregáronse na Academia os 800 apoios recollidos pola candidatura de Vidal Bolaño Nas últimas semanas soa moito Roberto Vidal Bolaño, igualmente. Un grupo de persoas, entre as que sobrancean Antón Dobao ou Rubén Ruibal, impulsou unha recollida de sinaturas e unha campaña nas redes sociais para que o dramaturgo, para moitos a figura esencial do teatro galego contemporáneo, sexa homenaxeado. Onte mesmo entregaron na Real Academia os máis de 800 apoios recibidos entre artistas, xornalistas, actores, e persoas de todo tipo. Todo comezou, en parte, coas palabras que en abril Morris pronunciou ao recoller o premio Mestre Mateo por Doentes: "Roberto Vidal Bolaño é un firme candidato ás Letras Galegas. É un fundador das artes escénicas". Un grupo de persoas xa iniciara a campaña, que contou cun manifesto que salientaba a necesidade de que nalgún momento as Letras recoñecesen o labor do teatro galego: "Os tempos deberían ser chegados para ese xénero que segue sendo literario. Cincuenta anos pasaron polo Día e trinta polo teatro galego e a súa profesionalización". Sempre está aí, tamén, Carvalho Calero Sempre está aí, tamén, Carvalho Calero. O ferrolán foi membro numerario da propia RAG, contribuíu á redacción do Estatuto de Autonomía do 1936, interveu na creación do Partido Galeguista, foi represaliado polas súas ideas republicanas, sufriu o cárcere e estivo longos anos apartado da función pública e foi o primeiro catedrático de Linguística e Literatura Galega da USC. Alén diso, conta cunha completa e moi recoñecida en todo o mundo obra literaria, tanto en poesía, coma en narrativa (por exemplo o seu brillante Scórpio), coma en teatro e por suposto en ensaio, sobre todo no campo da lingüística. Para completar a forza desta candidatura, Carvalho foi o gran pensador do reintegracionismo lingüistico, o que para algúns é a principal razón para non ter sido recoñecido até agora nas Letras. Pero Casares, Carvalho ou Vidal Bolaño non son os únicos nomes que soan. Aí está tamén, por exemplo, o berciano Antonio Fernández Morales, cunha candidatura promovida pola Asociación Berciana da Lingua Xarmenta, que salienta que o autor "publicou en lingua galega a súa obra Ensayos poéticos en dialecto berciano en 1861, dous anos antes de que Rosalía publicase Cantares Gallegos, adiantando así rexurdimento da nosa lingua". E tamén Xosé María Díaz Castro, que todos os anos está riba da mesa e como sempre din os promotores da súa homenaxe "algún ano terá que ser". O autor de Nimbos é citado unha e outra vez polos seus versos Un paso adiante, un paso atrás, Galiza. E a tea dos teus soños non se move, pero nese único poemario e noutros escritos demostra unha calidade literaria coma poucos e o propio Carvalho Calero dixo que Nimbos veu restaurar "a poesía total" na literatura galega. E por que non Rosalía de Castro? Hai uns días xurdiron algunhas voces, coma a de Luís Bará, que propoñía que Rosalía fose homenaxeada en 2013, coincidindo co 50 aniversario da celebración das Letras E por que non Rosalía de Castro? Hai uns días xurdiron algunhas voces, coma a de Luís Bará, que propoñía que Rosalía fose homenaxeada en 2013, coincidindo co 50 aniversario da celebración das Letras e o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. A autora foi, por este motivo, homenaxeada na primeira edición das Letras, en 1963, pero Bará reclamaba neste artigo que con este novo recoñecemento se abrise "un novo ciclo". A homenaxe serviría, ademais, para que a autora fundacional da literatura galega contemporánea fose máis e mellor coñecida no país, desbotando as moitas ideas errónas que aínda persisten sobre a escritora. E poderíamos seguir citando nomes. Esta noite sairemos de dúbidas.
NOS_23182
A Consellaría suma "catro postos máis" nesta liña de información que canaliza todas as consultas sobre o coronavirus na Galiza.
A Consellaría de Sanidade reforzará "de maneira inmediata" con "catro postos máis" o teléfono de información para a poboación en relación ao coronavirus, o 900 400 116. Así o confirmaron a Europa Press fontes da Consellaría de Sanidade, que explicaron que se reforzará esa liña de información con catro postos máis "para canalizar a demanda mellor". Isto sucede despois de que usuarios non puidesen contactar ao non ter sinal. Sanidade puxo o pasado 3 de marzo a disposición da cidadanía o teléfono 900 400 116 para dar información xeral sobre o coronavirus, en substitución do número anterior, de pago, 902 400 116. Segundo sinalou, trátase dun número gratuíto no que se "poden resolver todas as dúbidas que os galegos teñan respecto diso" deste coronavirus. O departamento sanitario lembra que para as persoas con síntomas (febre, tose e sensación de falta de aire) e que volvesen de zonas de risco, ou tivesen contacto con alguén que estivese nalgún deses lugares, "recoméndase non acudir directamente ao hospital ou centro de saúde, senón contactar telefonicamente co 061".
QUEPASA_1122
Actualización (28-10-2020): 6 hospializados no HVdX. Ponteceso e Santa Comba a nivel 2.
Tras moitas semanas sen ingresados no noso hospital de referencia, hoxe son xa 4 hospitalizados no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee. Unha cifra que dá conta do aumento da incidencia do COVID nas últimas dúas semanas. O mapa de incidencia xa rexistra 10 Concellos afectados na comarca, sumando 3 novos (Fisterra, Laxe e Mazaricos) en nivel 1 de alerta (entre 7 e 14 casos activos), igual que Ponteceso e Santa Comba.En Nivel 2 (entre 14 e 21 casos positivos) atopamos Malpica e A Laracha (que viña de estar no nivel 3); mentres que en Nivel 3 segue o Concello de Carballo e ao que se unen Muros e Vimianzo. A nivel escolar hoxe recollemos os datos de incidencia nos centros educativos, que deixa un total de 45 positivos nos centros de ensino, pero só unha aula pechada e ningún centro. CADRO ESCOLAS INFANTÍS E CENTROS EDUCATIVOS 27.10.2020 LOCALIDADE CENTRO TOTAL POSITIVOS AULAS PECHADAS CENTROS PECHADOS A LARACHA E.I A Laracha 1 1 0 VIMIANZO E.I Municipal Vimianciños 1 0 0 A LARACHA CEIP Alfredo Brañas 2 0 0 A LARACHA CEIP Ramón Otero Pedrayo 2 0 0 A LARACHA IES Agra de Leborís 8 0 0 CABANA DE BERGANTIÑOS CPI As Revoltas 1 0 0 CARBALLO CEIP Bergantiños 1 0 0 CARBALLO CEIP Fogar 4 0 0 CARBALLO CMUS Profesional de Carballo 1 0 0 CARBALLO IES Alfredo Brañas 3 0 0 CARBALLO IES Isidro Parga Pondal 1 0 0 CARBALLO IES Monte Neme 2 0 0 CEE CPR Plurilingüe Manuela Rial Mouzo 1 0 0 CEE IES Agra de Raíces 2 0 0 CEE IES Fernando Blanco 1 0 0 CORCUBIÓN CEIP Praia de Quenxe 1 0 0 CORISTANCO CPI Alcalde Xosé Pichel 2 0 0 FISTERRA CEIP Areouta 1 0 0 FISTERRA CPR Ntra.Sra. del Carmen 1 0 0 MALPICA DE BERGANTIÑOS IES Urbano Lugrís 2 0 0 MUROS CEIP Plurilingüe Ricardo Tobío 1 0 0 MUROS CEIP Ramón de Artaza y Malvárez 1 0 0 SANTA COMBA CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza 1 0 0 SANTA COMBA IES Terra de Xallas 1 0 0 VIMIANZO CEIP Plurilingüe San Vicenzo 1 0 0 ZAS IES Maximino Romero de Lema 3 0 0 Máis novas do COVID 26-10-2020: COVID: 9 Concellos xa afectados; A Laracha, Carballo, Muros e Vimianzo en nivel 3. Un novo estado de alarma para unha nova onda. 24-10-2020: COVID: 6 concellos afectados na comarca, nos que Malpica e Muros soben a nivel 2
NOS_8368
"As autoridades de Kíiv negáronse a recoñecer os resultados dos referendos e rexeitan calquera proposta de negociacións", xustificou o presidente ruso.
O presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin, decretou na mañá desta cuarta feira a introdución da lei marcial nas rexións de Donetsk, Lugansk, Khersón e Zaporijia, adheridas recentemente ao territorio ruso en senllos referendos cuxa validez non foi recoñecida por boa parte da comunidade internacional. Precisamente este foi o punto alegado por Putin para declarar a lei marcial na zona, pois, dixo, "as autoridades de Kíiv negáronse a recoñecer os resultados dos referendos e rexeitan calquera proposta de negociacións", mentres "seguen a realizar ataques con métodos francamente terroristas". "Frustramos atentados noutras rexións de Rusia, en particular nos lugares de masiva concorrencia de persoas, contra instalacións de transporte, enerxéticas... Entre as que quero destacar as de enerxía nuclear", afirmou, en referencia ao cruzamento de acusacións que protagonizaron nas últimas horas Rusia e Ucraína sobre os ataques en Energodar, onde se atopa a planta máis grande de Europa. Rusia e Ucraína acúsanse mutuamente de bombardear a contorna da central nuclear de Zaporijia Moscova revindica o seu "dereito" a aplicar "todas" as súas leis sobre as rexións anexionadas porque, sinalou, "continúan os bombardeos e os civís seguen morrendo" nestes lugares. De feito, a primeira hora do día as autoridades prorrusas da cidade de Khersón ordenaron á poboación civil abandonar esta capital rexional ante o inminente inicio dunha "gran batalla" que tamén dan por asegurada desde Kíiv. Esta terza feira, o comandante das Forzas Armadas rusas en Ucraína, Sergei Surovikin, recoñeceu que a situación na rexión é "tensa", dado que, dixo, "as tropas ucraínas non cesan no seu empeño de atacar as posicións das tropas rusas", nomeadamente en Kupiansk, Kharkiv e Mikolaiv. Ucraína denuncia a destrución de 30% das centrais eléctricas do país "O inimigo é un réxime criminal que empuxa aos cidadáns de Ucraína á morte. Os ucraínos e nós somos un só pobo e queremos unha cousa: que Ucraína sexa un Estado amigo de Rusia e independente de Occidente e da OTAN", engadiu.
NOS_37735
Veciñas e veciños deste concello do interior da Galiza falan das bondades de vivir no rural nun vídeo para o Nadal. O proxecto audiovisual, que tamén é unha sorte de promoción turística, vén de convertirse en viral.
O Concello de Muras deu no cravo á hora de promocionarse nada máis comezar 2021. Cunha sinxela felicitación de Aninovo, na que participan moitas veciñas e veciños, este municipio do interior galego vai camiño de ser coñecido mesmo fóra do país. Desde que se publicou nas redes sociais, o proxecto audiovisual para este Nadal foi visto miles de veces e mesmo compartido a través de distintas plataformas, como o Whatsapp. Así, miles de cidadáns tiveron a oportunidade de descubrir un pouco máis o que é vivir no medio rural. A protagonista do anuncio, a poboación de Muras, explica que alí na pandemia todas e todos estiveron unidos, pero non só porque esa situación fixera que se coñeceran senón porque xa eran unha comunidade unida. Igualmente, xente de todas as idades conta que alí o mundo non parou porque hai que saír a coidar do gando a diario. Cunha sucesión de xente ás portas das casas (ou dentro delas) e nos camiños reflexionan sobre a distancia social. Así, a Administración local aproveita para situar algunhas protagonistas en paisaxes da vila xogando coa idea de que non hai problema para "perderse" porque é un dos concellos da Galiza que foi perdendo máis poboación. De feito, para as e os amantes da astronomía, Muras non era un descoñecido até estes días. A zona xa é un recurso turístico no que gozar dos ceos estrelados galegos porque a marcha da poboación reduciu a contaminación lumínica e, en consecuencia, deixou ao descuberto un mar de estrelas e constelacións. Mais agora a campaña turística está feita, case sen querer, para todos os públicos. Anima a visitar o pobo porque nin sequera hai problemas para falar gardando as normas de seguridade, porque en Muras xa están acostumadas a facelo. Así, propoñen imaxes típicas do rural con xente falando de lonxe nas pequenas estradas secundarias. O vídeo coral é unha emotiva chamada á esperanza pero tamén á vida sinxela e en comunidade.
NOS_16851
As necesidades e fortalezas do concello de Ourense son ben coñecidas por Xosé Lois González. O ourensán creador do Carrabouxo e comprometido con cen mil causas xustas na Galiza salienta cales son as prioridades da cidade das Burgas e os retos do país perante os comicios europeos.
Cales son as fortalezas do concello de Ourense? En Ourense temos o tópico da riqueza termal, mais ao tempo contamos cun proxecto de hotel balneario que non ve a realidade e é unha eterna promesa. Outro ben noso son os tres ríos e sabemos moito da importancia que a auga ten na Galiza. Lembremos a relevancia que tivo o deterioro do río para que o pobo fixese a revolta de Allariz ou o que significou a rexeneración da ría para a transformación de Pontevedra. Ademais, Ourense foi a capital do grupo Nós, onde se substanciou o xerme do nacionalismo moderno. Deberiamos contar cun centro de interpretación de Nós que fose referencia cultural, e non o centro cultural actual que temos na cidade e que se chama La Molinera en lugar da Muiñeira. Que urxencias ten a cidade? As beirarrúas están en mal estado e son un perigo para as persoas e hai múltiples barrios sen conexións de transporte nin prazas de aparcadoiro suficientes. E logo está o famoso PXOU, con anos e anos sen resultar aprobado. Agora o PP sacouno adiante por decreto pero non vai ter aprobación definitiva. Que lle pediría ás vindeiras persoas que representen a Galiza no Parlamento Europeo? Que paren os plans que afectan a nosa economía. As denominacións de orixe son importantísimas para nós e queren eliminalas. Tamén, por suposto, que se resolva o caso das vítimas do Alvia. Nesta loita foi importante o traballo da eurodeputada do BNG Ana Miranda e as vítimas merecen toda a xustiza. Se non conseguimos xustiza estariamos ante unha aldraxe terríbel. Hai responsabilidades políticas que deben investigarse. Pediría tamén respecto á soberanía dos pobo. A reacción da UE con Catalunya estivo arrexuntada ás posicións dos reaccionarios en contra da soberanía catalá. Hai que superar ese modelo de Europa.
NOS_17174
Galiza foi o primeiro territorio do Estado en implantar a especialidade de enfermaría familiar e comunitaria. Mais esta iniciativa non ámbito da formación non se reproduce no laboral. Enfermeiras de familia critican a falta de contratación e consolidación dunha figura sanitaria esencial na Atención Primaria.
Segundo sinala un estudo realizado pola Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec), un 22% das enfermeiras especialistas inscritas na bolsa de contratación temporal da Galiza traballa fóra do territorio. Outro 16% continúa na Galiza, mais ligado a servizos sanitarios distintos ao da súa especialidade. Profesionais de enfermaría advirten: faltan "entre 2.000 e 3.000" efectivos para paliar o déficit no Sergas "O máis habitual nos centros de saúde é encontrar enfermeiras xerais cando hai especialistas dispoñíbeis na lista de contratación que se vén na obriga de aceptar contratos noutros ámbitos baixo o risco de seren penalizadas". Mónica Carazo é unha das 34 enfermeiras que no mes de setembro saíron ao mercado laboral como especialistas en enfermaría familiar e comunitaria despois de dous anos de formación específica para asistir e facer seguimento das usuarias da Atención Primaria. Tamén é unha das poucas que despois de tres contratos en servizos alleos á súa especialidade traballa como enfermeira nun centro de saúde. Das 34 enfermeiras tituladas en setembro só catro están en centros de saúde "con contratos de un mes". Cartos tirados "Moitas compañeiras marchan porque fóra atopan mellores condicións. Ti vas a Asturias, ás Illes Balears ou a Catalunya e xa te sitúan na Primaria nada máis acabar". Aquí non, insiste, por iso o máis frecuente é acabar na hospitalaria, "que son cartos da formación tirados ao lixo, 60.000 euros por enfermeira, que é o que lle custa ás arcas públicas a especialidade de calquera residente". As enfermeiras de familia falan dun desperdicio de tempo e diñeiro, pero sobre todo do desaproveitamento dun recurso profesional moi valioso para o sistema de saúde, nomeadamente para a Atención Primaria, con atrasos e sobrecarga que xustifican aínda máis a súa incorporación estábel ao sistema. Doentes crónicos con patoloxías múltiples: 5% da poboación consome até 50% dos rescursos sanitarios "Nós ocupámonos do control e seguimento dos doentes crónicos, un colectivo cada vez máis numeroso e complexo que require un manexo específico que aprendemos durante a nosa formación. Formámonos en promoción da saúde, en prevención", descoidadas durante a pandemia. Pioneira, mais non no laboral En 2016 a Galiza foi pioneira na implantación da categoría de enfermaría familiar e comunitaria, "pero isto non significa que as especialistas esteamos a traballar como tal". En agosto había 189 inscritas na bolsa do Sergas, das que só 70 exercían na Atención Primaria. Coa incorporación das 34 que remataron agora a súa formación mais daquelas enfermeiras xerais que obtiveron o título pola vía excepcional "somos case o dobre", confirma Carazo, quen critica a mala planificación do Sergas dos seus recursos humanos. "Aboca as especialistas a un futuro laboral incerto, precario". As áreas sanitarias están a solicitar novas prazas que a Consellaría de Sanidade denega, apunta Agefec. "Primeiro puxo a escusa de que eramos poucas. Agora di que só crearán prazas de especialista naqueles centros que teñan plan de saúde, os grandes, o que deixa a poboación máis necesitada de coidados de calidade sen enfermeiras de familia".
NOS_19111
Até a sexta feira 12 de marzo, a Universidade de Compostela (USC) realiza, dentro do programa Culturfil, o simposio internacional "Promoción cultural nas feiras internacionais do libro", que decorrerá na sede virtual do Consello da Cultura (CCG) a través de Youtube.
Desde a xornada de mañá, e até a sexta feira 12 de marzo, a Universidade de Compostela (USC) realiza, dentro do seu programa Culturfil, o simposio internacional "Promoción cultural nas feiras internacionaisdo libro", que decorrerá na sede virtual do Consello da Cultura (CCG) a través da súa canle de Youtube. O encontro reúne especialistas académicos de prestixio internacional que expón diferentes perspectivas relacionadas cos estudos da cultura e, en particular, as feiras internacionais do libro Liber Madrid-Barcelona, Livre Partis, as feiras internacionais do libro de Guadalaxara (México), Bos Aires (Arxentina) e Frankfurter Buchmesse (Alemaña). O simposio, que se aborda desde a perspectiva dos Estudos da Cultura, da Socioloxía da tradución e da Economía da cultura cun equipo pluridisciplinar, como a socióloga francesa Gisèle Sapiro, o antropólogo arxentino Gustavo Sorá, o filólogo Marco Bosshard ou a especialista en Estudos de Tradución Olga Castro. Ás 16.15 horas arrinca a primeira das conferencias, a cargo de Gisèle Sapiro, "Os festivais literarios internacionais. Primeiros resultados". Deseguido, debaterase na mesa redonda, "Parámetros de internacionalización", para a que se contará coa presenza de María Fernández Moya, do Colexio Universitario de Estudos Financeiros (Cunef); da especialista en literatura brasileira Carmen Villarino, da USC; Iolanda Galanes, da Universidade de Vigo (UVigo); e Ana Luna Alonso, tamén da UVigo. A xornada féchase con "A promoción institucional nas FIL (Feiras Internacionais do Libro)", charla pronunciada por Cristina Rubal González, subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro da Xunta da Galiza. As sesións dos días 11 e 12 de marzo tamén decorrerán en horario de tarde. Entre as 16 e as 17 horas da quinta feira terá lugar as conferencias, "Investigar as FIL e a internacionalización das culturas", do profesor Gustavo Sorón, da Universidade Nacional de Córdoba. A xornada fecharase coa mesa redonda "Desafíos metodolóxicos na investigación sobre as FIL e o convidado de honra". A tarde de clausura, na sexta feira, contará con dúas mesas redondas, alén do apartado de conclusións do simposio. "Estratexias de internacionalización. FIL e convidados de honra" desenvolverase desde as 16 horas, e "Impacto do convidado de honra en FIL. Valor económico, cultural e simbólico" dará comezo arredor das 17.45 horas. Ambas as dúas sesións de debate estarán presentadas pola especialista Iolanda Galanes.
NOS_11221
Activistas da Plataforma Sarriá manteñen a acampada para evitar a tala dos ameneiros que integran o bosque de ribeira a Illa do Toleiro, unha especie protexida ameazada polo proxecto da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Máis de 5.000 sinaturas amparan xa o protesto da Plataforma Sarriá en contra do proxecto de encauzamento do río Sarria tal e como está formulado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Desde este colectivo cidadán emprenderon nas últimas semanas unha campaña informatica a respeito de por que se opoñen ao devandito proxecto. A campaña deu resultados e, segundo explica Roberto Irimia, integrante da Plataforma, "agora xa non somos nós quen ten que parar a xente pola rúa, senón que os propios veciños son os que se achegan ás mesas para asinaren". Os e as activistas non paralizaron aínda a acampada encetada o 24 de febreiro, que arrincou cun encadeamento ás árbores para impedir a tala de ameneiros protexidos e após unha exitosa mobilización realizada na vila o día anterior. A partir de aí, a plataforma continuou coas mobilizacións e mesmo pediu o amparo da Valedoría do Pobo na Galiza e do Defensor do Pobo en Madrid. Polo de agora, a Confederación Hidrográfica non respondeu ás achegas presentadas pola veciñanza, quen asegura que tanto o delegado español na Galiza, Samuel Juárez, coma o presidente do organismo de conca, Francisco Marín, mostraron "boa disposición" a estudar as mudanzas que sobre o proxecto solicita a Plataforma Sarriá para atallar as causas das anegacións.
NOS_48147
Os sindicatos presentes no Comité Intercentros e a empresa acordaron o despedimento de 350 traballador@s e todo o estado, o peche temporal de Tui, Verín, Vilalba e Monforte de Lemos e unha indemnización de 25 días por ano traballado.
O Comité de Intercentros e Paradores chegaron a un acordo sobre o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) e haberá 350 despedidos nesta rede hostaleira do Estado español. Xusto no prazo límite da negociación ambas as dúas partes, reunidas no Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA) asinaron unhas medidas que afectarán, desde este mesmo mes de xaneiro, tamén os paradores galegos. O acordo contempla que pecharán tres meses o parador de Tui, e catro meses os de Verín e Vilalba. O estabelecemento de Monforte de Lemos pechará 40 días coincidinco coas vacacións e o de Ferrol evita o peche indefinido. Un dos puntos do acordo foi a decisión de que varios restaurantes da rede desaparecerán e outros terán períodos grandes de descanso. O acordo contempla que pecharán tres meses o parador de Tui, e catro meses os de Verín e Vilalba As indemnizacións pactadas serán de 25 días por ano traballado cun máximo de 20 mensualidades e, segundo o documento, afectarán tamén o Hostal dos Reis Católicos malia contar con convenio propio e non estar presente na reunión o seu comité de empresa. A CUT, sindicato maioritaria nese estabelecemento, e a CIG aseguraron onte a Sermos Galiza que rexeitarían calquera acordo que se fixese en Madrid ao ter un convenio propio que implica unha negociación aparte. Fontes da CUT sinalaron que a decisión tomada hoxe entre o Comité Intercentros e a empresa "abre a porta á externalización e privatización" desta rede hostaleira pública. Segundo este sindicato os restaurantes son unha das fontes de ingresos máis importantes que teñen os paradores polo que "non ten sentido algún o seu peche". A CUT e a CIG rexeitan tamén os despedimentos para o parador de Compostela que implica este acordo.
PRAZA_6953
A entidade constituída pola Xunta e quince empresas en 2008 xa consumiu case a metade do seu patrimonio fundacional para pagar o plan de acción cultural do complexo, no que a Fundación Cidade da Cultura non pon cartos dende 2012. O organismo carece de control público e descoñécese se inflúe ou non no deseño das accións culturais que se desenvolven.
O 29 de decembro de 2008 o Goberno de coalición de PSdeG e BNG escenificaba o centro da súa estratexia para a inconclusa Cidade da Cultura. Ao contrario do que agardaba parte da base social de socialistas e nacionalistas, o Executivo que presidía Emilio Pérez Touriño non optara por desbotar política ou fisicamente o complexo que Manuel Fraga presentara como o seu "soño". Ao contrario, apostara por seguir adiante con el, aínda que reorientando parcialmente os seus contidos e compartindo a súa xestión cun ente mixto de capital maioritariamente privado que anunciou naquela xornada a pé de obra, a Fundación Gaiás, presentada como a vía para liberar parcialmente dos custos do proxecto á Administración e, sobre todo, para que a Cidade da Cultura xerase fondos de seu. Case seis anos despois a Fundación Gaiás, cada vez máis descapitalizada en canto a cartos e persoas que a dirixan, xa financia o 100% do Plan de Acción Cultural dos edificios deseñados por Peter Einsenman. Boa parte das quince empresas que apoiaron a Fundación no seu nacemento son fiel reflexo da realidade económica do país nos últimos anos, feito que contribúe a agudizar a opacidade que, como informou Praza Pública, vén caracterizando á fundación. O que queda das caixas galegas agora é un banco propiedade dun grupo venezolano, Unión Fenosa pasou a ser un brazo de Gas Natural e o estaleiro Hijos de Barreras é a filial ibérica da mexicana Pemex. A Fundación Barrié, auspiciada polo Banco Pastor, agora depende do Banco Popular eo Grupo Nosa Terra, propietario de Povisa, pasa por apuros económico. Pola súa banda o Banco Gallego foi mercado polo Sabadell e quen en 2008 era o seu presidente, Juan Manuel Urgoiti, deixou de dirixir a Fundación Gaiás a pasada primavera, tras desligarse da entidade bancaria. A Fundación Gaiás esgotou xa practicamente a metade do seu patrimonio fundacional e a Fundación Cidade da Cultura non pon cartos para o plan cultural dende 2012 Malia este confuso panorama dende que a Cidade da Cultura abriu as súas portas en 2011 a Fundación Gaiás converteuse no fornecedor principal de cartos para a programación de actividades. Segundo os datos que constan no rexistro de convenios da Xunta nestes catro anos achegou un total de 10,8 millóns de euros para financiar este programa, mentres que a Fundación Pública Cidade da Cultura, responsable da xestión do complexo, puxo 2,54 millóns de euros, concentrados nos anos 2011 e 2012. Así as cousas, nun cuatrienio a Fundación Gaiás esgotou xa practicamente a metade do seu patrimonio fundacional, constituído por 23 millóns de euros dos que 11,7 eran privados e 11,3, públicos. Nesta conxuntura, que a Fundación Gaiás exerza de peto da Xunta para pagar os actos da Cidade da Cultura afástaa notablemente da finalidade coa que foi fundada. Segundo consta nos seus estatutos, os seus obxectos fundacionais son a "promoción, programación, xestión e explotación de actividades culturais, así como a xestión das infraestruturas relacionadas co Centro de Arte Internacional, Museo de Nenos/as e co Centro de Recursos Obradoiro, de titularidade da Fundación Cidade da Cultura". Isto é completamente imposible na actualidade, toda vez que os usos dos edificios construídos foron reformulados e a construción de dous deles -os agora denominados Teatro Obradoiro e Centro de Arte Internacional- está paralizada. Ademade, esta Fundación tampouco cumpre co seu segundo obxectivo: "a xestión das actividades complementarias ou a produción de bens susceptibles de contraprestación que sexan ofertados aos cidadáns nos centros integrantes do complexo", isto é, a xeración de ingresos. Sen control nin información da Xunta A Xunta, que non controla a Fundación Gaiás, non especifica nos seus orzamentos se conta ou non coas súas achegas nin informa de se as empresas inflúen na programación Mentres, nunha resposta parlamentaria ao PSdeG, o Goberno galego admite que a Fundación Gaiás financia "o cen por cen do programa cultural da Cidade da Cultura" o control público desta entidade é nulo, así como a información que o Executivo autonómico ou as empresas que o conforman publican sobre ela. Así, por exemplo, nos Orzamentos da Fundación Pública Cidade da Cultura para 2015 consta que prevé uns ingresos por visitas, eventos ou alugueres duns 740.000 euros e cifra en 2,05 millóns os "asociados aos convenios con patrocinadores e colaboradores". Para 2014 o cálculo desta segunda partida era de 1,7 millóns e a Fundación Gaiás achegou 1,8, sen que a Xunta explicase se estes fondos son os mesmos ou se trata de acordos con outras entidades. Asemade, a Fundación Cidade da Cultura estimou no seu orzamento para o ano que remata uns "gastos de programación" de 1,9 millóns de euros, pero non especificou se estes eran cartos procedentes do convenio coa Fundación Gaiás ou da propia Xunta. Tampouco consta documento ningún no que recolla a influencia que as empresas da Fundación Gaiás exercen ou poden exercer á hora de determinar os contidos da programación que financian.
NOS_39763
O goberno de Ankara mantén o toque de queda en diversas cidades do Curdistán, rexistros e detencións que atinxen a poboación civil, organizacións políticas como o HDP e de defensa dos dereitos humanos.
Desde que racharon as negociacións entre o Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK) e o goberno de Turquía, o executivo de Tayyip Erdogan iniciou unha "loita contra o terrorismo", en verbas do primeiro ministro, Ahmet Davutoglu, que asasinou nun mes 448 persoas, segundo as cifras fornecidas polo exército turco e recollidas polo diario The Guardian. "Imos continuar a nosa loita contra o terrorismo con grande determinación até que as nosas montañas, chairas e cidades fiquen limpos destes asasinos", dixo Davutoglu nunha entrevista televisiva. Unha guerra que no último mes se intensificou coa implementación dunha "política de seguridade" que "restrinxe ilegalmente os dereitos e liberdades fundamentais" da poboación que mora os territorios de Sirnak, Mardin, Diyarbakir, Hakkari e Mus, segundo denuncian as organizacións de dereitos humanos de Turquía, nun chamamento lanzado á comunidade internacional para que cese a represión contra o pobo curdo e se reinicien as conversas de paz. Os toques de queda e a denominada política de seguridade turca "restrinxe ilegalmente os dereitos e liberdades fundamentais", denuncian As organizacións aseguran que "a situación é grave" e instan as autoridades a identificar e sancionar as violacións de dereitos. Execucións, rexistros e detencións Desde o goberno de Ankara manteñen unha campaña de persecución coa que están a practicar rexistros e detencións mais tamén ataques contra a poboación civil que causaron a morte de centos de persoas en operacións armadas que foron rexistradas por organizacións internacionais como Human Watch Rights. Entre as persoas asasinadas atópanse tres activistas e militantes do HDP, asasinadas o 4 de xaneiro na provincia de Sirnak. Seve Demir, integrante do Partido Democrático das Rexións; Fatma Uyar, integrante do Congreso de Mulleres Libres; e Pakize Nayir, co-presidenta da Asemblea do Pobo de Silopi foron vítimas dunha "execución deliberada", denunciou a deputada do HDP, Aycan Irmez. Parlamentres pro-curd@s sitúanse tamén no punto de mira do goberno de Erdogan Nas últimas semanas o presidente turco, Tayyip Erdogan, acusou @s parlamentares pro-curd@s de estaren a actuar como "integrantes dunha organización terrorista" e advertiulles de que os seus cargos "non lles protexerán da xustiza". Poucos días despois a sede do HDP en Istambul foi obxecto dun rexistro policial no que 6 persoas resultaron detidas. A operación, defenden desde Ankara, persegue o movemento xuvenil do PKK que vinculan ao HDP.
PRAZA_18594
Un responsable de verificar por parte do ministerio que o AVE Ourense-Santiago cumpría a normativa non é quen de detallar no Congreso que informes entregou Adif para certificar a súa seguridade
Un responsable de verificar por parte do ministerio que o AVE Ourense-Santiago cumpría a normativa non é quen de detallar no Congreso que informes entregou Adif para certificar a súa seguridadePouco máis dunha hora foi o que tardou o Ministerio de Fomento en autorizar a posta en servizo da liña de AVE Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente da curva de Angrois despois de recibir a petición de Adif un día antes da súa inauguración o 10 de decembro de 2011 polo daquela ministro socialista de Fomento en funcións, José Blanco. Así o revelou este mércores En Marea, con documentación achegada polas vítimas, na comisión de investigación sobre o accidente no Congreso, na que compareceu un cargo de Fomento que asegurou que nesa hora só revisou que os documentos de seguridade da liña presentados por Adif se correspondían cos que el mesmo e os seus colaboradores viñan xa supervisando desde días antes.No Congreso compareceu este mércores Eduardo Santiago, subdirector de Coordinación de Seguridade Ferroviaria de Fomento que no seu momento participou desde o ministerio no proceso de autorización da posta en servizo da liña Ourense-Santiago. Segundo dixo, fíxose de acordo coa normativa e sen recibir presións para acelerar a súa inauguración, pero non foi quen de contestar que documentos integraban o dosier de seguridade que Adif lle entregou a Fomento. A plataforma de vítimas vén criticando que esa documentación presentaba carencias, e así o está a investigar o xulgado, que ten imputados a seis técnicos de Adif, Renfe e Ineco, ademais do maquinista do Alvia, por como avaliaron ou non o risco existente tanto na curva de Angrois como na decisión que tomaron posteriormente, en 2012, de desconectar o sistema de control da velocidade a bordo dos trens.Sobre o proceso de posta en servizo da liña en decembro de 2011, a plataforma de vítimas conseguiu os documentos de petición por parte de Adif e autorización por parte de Fomento coas horas de entrada e saída respectivas que revelan que a autorización foi emitida en pouco máis dunha hora. Eses documentos foron revelados este mércores no Congreso pola deputada de En Marea Alexandra Fernández, pero o cargo de Fomento insistiu en que o traballo de supervisión de se Adif cumprira coa normativa xa se viña desenvolvendo desde varios días antes e esa autorización non foi máis que o paso final formal.Unha experta insiste en que os cambios de condicións na explotación dunha liña requirían unha análise de seguridade pero Adif e Renfe veñen mantendo que non era necesario no caso de AngroisNa sesión deste mércores no Congreso tamén compareceu Marta Carvajal, directora en España de Belgorail, empresa especializada en análises de riscos ferroviarios e certificación de sistemas de seguridade. Na súa intervención insistiu en que Adif e Renfe deberon analizar internamente os riscos que supuxeron decisións que cambiaron as condicións de explotación da liña, como reducir a seguridade da curva de Angrois ou desconectar o sistema de control da velocidade a bordo dos Alvia. Se considerasen que eses cambios eran significativos, dixo, debían pedir unha avaliación independente, pero en todo caso debera quedar constancia escrita da súa propia avaliación previa interna. Adif e Renfe veñen mantendo, pola contra, que as súas decisións ou non requirían dunha avaliación de riscos ou non era necesario encargala a unha auditora independente.A comisión de investigación pospón a súa decisión sobre se chama a comparecer a un cargo de Fomento que desmentiu o argumento oficial de que unha norma obrigaba a desprotexer a curva de AngroisPor outra banda, a comisión decidiu este mércores pospoñer ata o 5 de decembro a súa decisión sobre se chama a comparecer a un cargo do Centro de Experimentación de Obras Públicas (Cedex) do Ministerio de Fomento que remitiu unha carta aos deputados desmentindo o argumento oficial de que unha norma obrigaba a desprotexer a curva de Angrois. Ese cargo, Jorge Iglesias Díaz, director do Laboratorio de Interoperabilidade Ferroviaria, é o segundo do Cedex que rexeita as explicacións de Adif de por que se deixou toda a responsabilidade de frear en mans do maquinista. En Marea reclamou que compareza para que ratifique verbalmente o contido da súa carta e a comisión optou por pospoñer a súa decisión ata o 5 de decembro.
NOS_47047
A administración opta por comezar a manobrar agora após 'delegar' perante un Ministerio que amosa desleixo ante un problema que afecta a 31 concellos galegos e ameaza con estenderse.
A Xunta, e non foi sen tempo, decidiu mover ficha na crise da couza guatemalteca, que afecta 31 concellos de Galiza e ameaza con estenderse a máis. A estratexia do goberno galego de confiar e agardar polas medidas do Ministerio ao respecto topou coa pasividade e desleixo do Estado. Alargouse a preocupación e nerviosismo non só entre os produtores de zonas afectadas mais tamén entre aqueles das comarcas eminentemente produtoras de pataca. Un tubérculo que en Galiza representa máis de 20.200 hectáreas, miles de empregos e ducias de miles de cultivadores para autoconsumo. Desde as organizacións agrarias criticouse con dureza a "subordinación" a Madrid e desde a oposición política cargouse contra unha xestión do problema pola Xunta que mereceu cualificativos como "errática", "preocupante" ou "catastrófica". A tardanza en respostar ante un problema que se coñeceu hai dous anos centra boa parte das críticas O goberno galego semella agora dar un paso adiante e comezar a actuar. Así, advirte que o produtor dos concellos afectados vai ter que arrincar a pataca e avisar á administración para que proceda á súa destrución. Algo que afecta a todas as leiras dos concellos en 'cuarentena', non só a aquelas onde se detectase a couza. Ademais, establece que os concellos van ter que vixiar os mercados locais deses concellos para controlar que non se venda pataca infestada por esta praga. Desde os gobernos locais critícase unha medida que fai recaer unha responsabilidade nos concellos que debería asumir a propia administración autonómica. A couza guatemalteca detectouse en 2015 en Galiza, afectando 3 concellos. Dous anos despois son 31 os municipios con presenza desa praga en Galiza. Desde entón destruíronse por volta de sete toneladas deste tubérculo infestados pola couza.
PRAZA_17624
O PP é un xigante electoral mais ten algunhas eivas que non pode seguir agachando. A "fuxida" de Núñez Feijoo contribuíu a que estas primarias derrubasen a cifra totémica dos 100.000 membros que seica enchían os currunchos do País. Votos si, moitos, pero persoas afiliadas coa cotización actualizada moitas menos
O PPdG ven de pasar un test relevante para xulgar as fortalezas e as feblezas que posúe como organización política. A votación para elixir á persoa substituta de Mariano Rajoy -ademais da selección adicional de quen vai acudir á cita congresual dos vindeiros días- requiría a previa inscrición nun censo específico. Aquí radicou a primeira sorpresa deste proceso: só se apuntaron 4.564 -un 4,5% das 100.000 afiliadas e afiliados teoricamente existentes- para decidir as preferencias vixentes no territorio galego. E só votaron 3.979 persoas nunha cita desta transcendencia. Para tomar unha referencia comparativa, na Asemblea Nacional celebrada polo BNG nas primeiras semanas do ano 2012 -a que tivo lugar no mercado de Amio- participaron arredor de 4.500 persoas, case o 50% da afiliación existente naquel momento na forza nacionalista. A pesar de que a importancia das cuestións abordadas en ambos casos era moi relevante, a diferenza no nivel de participación resulta especialmente reveladora do estado no que se atopa o partido dirixido por Feijoo. Dende 1977 tense construído unha certa mitoloxía sobre a fortaleza invencíbel do actual PPdG. Obviamente, non se poden descoñecer determinados feitos moi significativos:dende o nacemento formal das institucións autonómicas, esta formación política controlou o goberno galego durante 31 dos 37 anos de vixencia das mesmas e ostentou, ao mesmo tempo, a dirección da maioría dos concellos e das deputacións. Certamente, en moitas ocasións, os resultados vitoriosos foron mais atribuíbeis aos notábeis deméritos protagonizados polas sucesivas forzas opositoras que ás virtualidades demostradas polas equipas gobernantes. E tamén constitúe unha evidencia a persistencia dun sistema mediático, público e privado, que retroalimentou, coa súa benevolencia e cativo pluralismo, a hexemonía continuísta de semellante poder político. O PP é un xigante electoral mais ten algunhas eivas que non pode seguir agachando. A "fuxida" de Núñez Feijoo contribuíu a que estas primarias derrubasen a cifra totémica dos 100.000 membros que seica enchían os currunchos do País. Votos si, moitos, pero persoas afiliadas coa cotización actualizada moitas menos. E dispostas a participar nun proceso interno no que, ademais, non se postula o caudillo de Montepío, moi poucas. E se colocamos o criterio valorativo na dispoñibilidade para compartir un exercicio colectivo de contraste de ideas e proxectos, os resultados son demoledores:semellante debate nin está nin se lle agarda. Ben é certo que a responsabilidade principal desta escandalosa carencia reside na incapacidade dos cadros dirixentes para falar de algo que non sexa o reparto do poder interno. O espectáculo que proporcionan Santamaría e Casado arruína calquera expectativa de polémica solvente sobre propostas e programas. Por iso non fan o debate previamente anunciado:para escenificar unha loita descarnada polas cadeiras da rúa Génova, mellor facela na opacidade conspiratoria ben coñecida polos protagonistas. O artigo 6 da actual Constitución española afirma literalmente que "os partidos políticos expresan o pluralismo político, concorren á formación e manifestación da vontade popular e son ferramenta fundamental para a participación política". Este Congreso do PP supón unha emenda fáctica á finalidade establecida nesa norma básica. A conclusión resulta pertinente:entre a conmemoración retórica dos 40 anos de vixencia do texto constitucional e o cumprimento real de moitas partes do mesmo hai unha distancia incompatíbel coa sustentabilidade dunha cultura democrática de calidade. Publicidade
NOS_51304
O alcalde de Oleiros amósase favorábel a votar a fronte nacionalista na sesión de investidura que terá lugar o 13 de xullo. "Foi o único que me dixo o que hai que cambiar".
Ángel García Seoane conversa coa xornalista María Obelleiro no número 153 do semanario en papel que sairá do prelo esta cuarta feira. Na entrevista, que está á venda a partir da quinta nos puntos de venda habitual, García asegura estar de acordo co "90% da proposta" formulada pola organización frontista e sinala que "ao resto" de forzas políticas "non os vin". "O PSOE non me dirixiu nin unha palabra porque saben o meu parecer: hai que cesar os directores xerais (postos a dedo), que cobran cantidades abusivas; rebaixar os cargos de confianza; cambiar as bases de contratación para acabar co dedazo ou facer que os programas da Deputación sexan para todos e non para uns poucos", apunta o rexedor de Oleiros que tomou posesión no seu cargo o 7 de xullo. "As Deputacións tiñan sentido cando non había goberno autónomo. O que hai que facer é un consorcio", explica en relación ás institucións provinciais. A entrevista íntegra, no número 153 do semanario en papel.
NOS_14696
As vítimas de abusos policiais cometidos en Euskadi entre 1978 e 1999 poderán ser recoñecidas a través dunha lei que vén de aprobar o Parlamento Vasco e que modifica outra de 2016 que non puído aplicarse após recorrela o Goberno central do PP perante o Tribunal Constitucional. Analiza a normativa David Soto, profesor de Dereito procesual na UDC e membro da Xunta Directiva de Esculca. Eis un extracto da análise publicada no número 342 do semanario en papel Sermos Galiza.
O Estado de Dereito non o é tanto porque no seu seo non se produzan erros ou actuacións ilícitas, senón pola súa capacidade de identificalos, corrixilos e reparar, na medida do posíbel, as súas consecuencias, recolle a exposición de motivos da Lei vasca de recoñecemento de vítimas de violencia de motivación política. José Emilio levaba unha semana de vacacións en Elorrio (Biscaia), a súa vila natal. Apenas un ano antes, con 15 anos, marchara a estudar á Universidade Laboral de Xixón. Aquela mañá de verán fora cun amigo a unha vila próxima pasar o día e para volver fixeran "auto-stop", sendo recollidos polo pai dun amigo do adolescente. Xa perto de Elorrio, unha inesperada torboada de balas caeu sobre o coche no que viaxaban os tres ocupantes. José Emilio, de 16 anos, resultou morto. Eran anos duros no País Vasco, e aquela mesma tarde ETA disparara contra o cuartel da Garda Civil de Durango. A reacción dos axentes foi saír a polos autores. As versións sobre o acontecido son contraditorias: os axentes afirmaron que o coche saltara un control. Tres testemuñas presenciais contradín esa versión. O certo é que as balas explosivas que recibiu o corpo do rapaz estaban prohibidas, pero alguén encargouse de impedir que se realizase a autopsia do cadáver. No xuízo, todos os gardas acusados resultaran absoltos. Tiveron que transcorrer 34 anos para que os familiares de José Emilio visen recoñecido o seu status de vítima, grazas a un Decreto do Goberno Vasco. Lonxe de tratarse de casos illados, as mortes producidas a cidadáns alleos a bandas armadas en controis policiais só entre 1970 e 1982 ascenden a 19. As persoas gravemente feridas cóntanse por ducias. Para facer efectiva a tríada de verdade, recoñecemento e xustiza destas e outras vítimas esquecidas, as institucións vascas ditaran en 2012 un Decreto que abrangue o período de 1960-1978. E a pesar do tempo transcorrido, lograron recoñecer 34 vítimas. A pasada semana, o Parlamento Vasco aprobou, cos votos a favor de PNV e PSE, unha nova Lei que abrangue un período histórico máis amplo: entre 1978 e 1999. Reaccións As reaccións non se fixeron esperar: un voceiro da Unión de Guardias Civiles afirmou que con esa lei téntase equiparar os dereitos das vítimas de ETA aos "dunhas vítimas das que non se sabía nada e que están comezando a xurdir". Nada máis lonxe da realidade: para os mesmos conceptos, as compensacións económicas da lei vasca son moito máis humildes que as da moi loábel lei estatal. Para alén, cómpre desterrar unha idea: como a propia lei admite, non se trata de equiparar actos violentos, nin moito menos de xustificalos. Trátase de reparar, na medida do posíbel, todas as vulneracións de dereitos humanos producidas no pasado recente. Outra das críticas en que coinciden Jusapol, SUP, Covite e o PP é que a nova lei usurpa un labor, o de establecer feitos probados con relevancia penal, que corresponde aos tribunais. Unha crítica que parece esquecer o cometido que a constitución garda para os tribunais de xustiza: "xulgar e executar o xulgado"; sendo que a Comisión de Valoración que crea a Lei vasca nin xulgará nin executará o xulgado, tan só outorgará o recoñecemento de vítima a quen o poda acreditar, un labor de natureza plenamente administrativa e non xudicial. [Podes ler a análise íntegra no número 342 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_34287
O último título de Miguel Sande evoca certo xogo de palabras que pode relacionarse co pop, coas sentencias fáciles ou con certo tipo de poesía evanescente tan común nos últimos anos.
E de certo pode chamar a engano, pois o xogo do título, presente nalgún éxito mainstream recente, non recolle o espírito do libro, sen que poidamos desentrañar se a referencia foi produto da casualidade ou unha chiscadela proposital por parte do autor. Os filósofos xa non brindan con cicuta | Arte de Trobar, 2019 | 18 euros Se cadra por iso sorprende, xa nas primeiras páxinas, a densidade que envolve a proposta. Miguel Sande, que gañou con este libro o XVII Premio Afundación, parece tallar unha nova voz poética que aquela á que nos tiña acostumados, e faino tamén a través dunha cadencia nova. Porque é complexo tramar un ritmo que funcione e enganche ao lector partindo dunha aposta tan forte polo poema en prosa, e o autor sae con boa fortuna do reto. Desde a primeira páxina decatarémonos tamén de como a noción de poesía de Sande vai construíndo unha obra que se auto-explica a si mesma, ás veces, como no poema que compara a creación cun vagar en carro á noite por estradas secundarias, de forma explícita. A sección inicial do libro, de título homónimo, déixanos a captura posíbel dunha serie de instantes de transcendencia, reflexións que parecen lanzar unha liña de fuga de intensidade na cotidianeidade. Desta forma, aínda que son moitas as referencias iniciais á vellez e aos seus coidados, cos seus temas parellos como o paso do tempo ou a disolución da memoria (temáticas, non por acaso, cada vez máis frecuentes na poesía galega dos últimos anos), a voz do autor parece propulsada desde os elementos máis frecuentes da realidade. Un cheiro de laranxa nas mans, a choiva, o ambiente dunha terraza ou a felicidade pregoada nas redes sociais son algúns dos substratos dunha serie de poemas que parecen ir acollendo esas grandes reflexións que parten do aparentemente banal ou dun momento particularmente intenso do día. Entidade propia ten a segunda sección do libro "Poemas para un estudante (de grao) desesperado", cunha temática moi concreta, e que permite que a voz poética consiga situarse como conselleiro dunha persoa nova, pero abrazando as posibilidades abertas da idade: a da rebelión ou a do cuestionamento dos nosos parámetros do fracaso. O final "Escoita, teño xa unha idade" retoma o espírito inicial do libro baixo a forma máis convencional do verso, no que parece case unha voadura controlada. Unha voz madurada e unha perspectiva interesante para un autor que pareceu acharse a si mesmo.
PRAZA_17071
ENTREVISTA Marcos Calveiro gañou o García Barros con O xardineiro dos ingleses, novela sobre a opresión nunha sociedade estamental e patriarcal
A denuncia da opresión. Da inxustiza. Do abuso de poder. E, contra elas, a procura da liberdade. Aínda que, tantas veces, non triunfe. Sobre todo, nunha sociedade estamental e patriarcal como o foi -e como en moitos aspectos aínda o é- a galega. Diso vai O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro. Aínda que podería dicirse que é o cerne de toda a súa obra. Desta volta, os protagonistas son Delia, unha muller afouta atrapada nun mundo que lle nega a posibilidade de dirixir a súa vida, o seu fillo Edelmiro, dous soldados estranxeiros que recalan en Vilagarcía e Modesto, un narrador que indaga na historia de Delia e na da súa propia familia. Un relato, máis logrado como artefacto literario que as súas novelas anteriores máis coñecidas, no que as pezas van encaixando ao tempo que avanza a Historia. É unha novela de ficción, aínda que lle servise de punto de partida unha noticia sobre o xardineiro dos ingleses. Mais, -como Festina Lente e Settecento-, si se apoia en abondosa documentación histórica. Como foi ese proceso de documentación? Sempre que me preguntan por iso penso que non é o máis relevante dunha novela. Dende sempre fun un tipo curioso, eu diría que algo friki e gústame moito ler sobre historia, así que moito do que hai no Xardineiro xa o sabía, e logo foi un proceso natural de moitas lecturas ao longo dos anos... Si, evidentemente tiven que consultar algunha monografía específica ou pescudar por internet, pero por exemplo fun ao museo Sorolla en Madrid máis polo meu propio interese persoal que por precisalo para a novela. Sempre digo que teño pouca imaxinación, por iso hai tanta historia nas miñas obras. O pasado faime parte do traballo e por iso mesmo nunca escribín fantasía ou CI-FI, dous xéneros que como lector me encantan. "Dende sempre fun un tipo curioso, eu diría que algo friki e gústame moito ler sobre historia" A voz narradora é a de alguén que pasou a súa infancia en Vilagarcía. A partir de aí, técese o relato da procura da verdade sobre a historia da propia familia. Evidentemente, non es ti, pero ese personaxe si ten algo de ti e da túa infancia. En que sentido? Eu non son Modesto, mais poderíase dicir que os dous medramos no barrio dos Duráns nos 70 e 80 e temos moito en común. Hai moito nel do meu pasado e da miña familia, mais tamén hai moito ficcionado ou non tanto... queda nas mans do lector ou lectora averigualo. Como dixen nalgunha entrevista, esta era a novela da miña "vida". Ás veces concordo coas súas opinións e outras non. "Como dixen nalgunha entrevista, esta era a novela da miña "vida" Mais supoño que o obxectivo, principalmente, era chamar a atención sobre unha parte da historia de Galicia non moi coñecida: a importancia de Vilagarcía como porto de desembarco da Royal Navy, que durou como 50 anos... Tamén aparece a relevancia de Vigo como centro de espionaxe... -tema que está a aparecer máis na narrativa galega ultimamente, na novela de Fran P. Lorenzo por exemplo-. Non quería chamar a atención sobre nada, simplemente é unha historia que me fascina, como moitas outras que parecen nos meus libros, por iso están aí. As miñas obras estás cheas das miñas teimas persoais, de todo aquilo que sempre me gustou, música, cine, arte, literatura... E por certo o de Vigo está escrito antes de que a novela de Fran saíse do prelo, foi unha coincidencia. "As miñas obras estás cheas das miñas teimas persoais, de todo aquilo que sempre me gustou, música, cine, arte, literatura..." A novela vai, pouco a pouco, desentrañando as historias de Delia Cores e do seu fillo Edelmiro. Delia pode representar a procura da liberdade -coma Caterina de Settecento- nunha sociedade na que cadaquén nacía co seu lugar no mundo, e ademais a unha muller o que lle quedaba era someterse a un home. Que representa Delia? Como constrúes este personaxe? Delia son todas as Delias que houbo noso país, todas elas esquecidas ou que camiñan nas marxes dos libros de historia. Mulleres afoutas que admiro moito, mulleres atrapadas nun tempo e nunhas circunstancias das que non puideron fuxir. Por desgraza, a Historia é dos xenerais, non das soldadeiras. Delia é un compendio de todas elas. "Por desgraza, a Historia é dos xenerais, non das soldadeiras" O libro ten tamén bastante de reflexión sobre o feito de ser escritor. A voz narradora conta que os escritores senten necesidade de poñerlle orde ao mundo, para comprendelo e sentirse menos indefenso ante as súas incertezas. Identifícaste con esta reflexión? E coa que fai a mesma voz sobre o "sistema literario galego" e o xeito no que pode auparte e despois deixarte a un lado? Se cadra, nese sentido, o éxito -relativo-dun libro pode xerar no autor expectativas difíciles de cumprir e de aí a frustración... Concordo en parte si, aínda que mais que poñer en orde o mundo é facer xustiza, que os de sempre, os de abaixo, os que sempre perden, por unha vez gañen, aínda que sexa dun xeito poético ou unha vitoria pírrica. Coa ficción podo reescribir a historia ao meu gusto, sempre que sexa verosímil co contexto no que me atopo. "Coa ficción podo reescribir a historia ao meu gusto, sempre que sexa verosímil co contexto no que me atopo" Respecto ao noso sistema literario o que di Modesto na novela vai á misa. Son moitas das miñas inquedanzas de escritor galego ao longo destes anos. A novela tivo un parto moi longo, mais toda esa parte foi escrita nun momento persoal moi baixo, e supoño que aí abrolla a frustración da que falas. Xa sei que eu non me podo queixar: premios, recoñecementos, publicacións, mais con cada libro comeza unha nova carreira, e confeso que en moitas delas sentinme derrotado, pero tamén recoñezo que para a miña sorpresa outras veces saín vitorioso sen eu agardalo. "Predicamos nun deserto que cada día está máis baleiro" Confeso que nalgún momento me crin o rei do mambo ata que logo batín de fuciños coa dura realidade, esa escasa base lectora que causa frustración para todos: editores, autores, libreiros... Predicamos nun deserto que cada día está máis baleiro. Recoñezo que son moi pesimista e moito máis cunha Administración que máis que un aliado é un inimigo, por exemplo coa supresión do Diario Cultural esta mesma semana. Pois eu confeso que agardaba que Delia atopase o seu propio camiño á liberdade, pero non porque a viñese buscar por fin o seu Ulises mariñeiro, ao xeito de Penélope, senón porque atopase ela unha maneira de liberarse da opresión. Mais chega o golpe de Estado e a guerra civil e as cousas tórcense... Xa, pero tiña que ser verosímil é unha final feliz non cadraría co réxime de Terror que trae o golpe fascista. De todo os xeitos penso que malia a traxedia libérase e son os seus ollos, a súa ollada, símbolo desa liberación. Nunca pensara en tocar o tema da Guerra Civil, mais todo ese revisionismo histórico dos últimos tempos indignoume e os mortos esquecidos nas cunetas aínda moito máis. "Nunca pensara en tocar o tema da Guerra Civil, mais todo ese revisionismo histórico dos últimos tempos indignoume" Nesta novela hai un pintor, (Sorolla), aparecen Lorca e o seu proxecto teatral La Barraca... O "mundo da cultura" non é tan protagonista como en Settecento, pero está tamén moi presente. Mais creo que o nexo entre O xardineiro dos ingleses e Settecento é máis ben outro: a denuncia da violencia e do abuso de poder, do control social e das inxustizas dun sistema estamental. Cal é, para ti, a relación entre estas dúas novelas? Non sei, eu non lle vexo moita conexión. Settecento nace da miña paixón pola música barroca en xeral e pola italiana e Vivaldi en particular, pero volvemos ao mesmo, en todas as miñas obras anda as miñas teimas persoais que dun xeito ou outro xorden na narración Festina Lente era máis fragmentaria, en relación a Settecento, mais Settecento era máis coral... En O xardineiro dos ingleses aparecen, xunto aos diálogos e ao relato do narrador, algunhas "noticias" de prensa... No aspecto da técnica narrativa, O xardineiro ten cousas en común coas dúas. Penso que lin que pensabas que era a túa mellor novela, nese aspecto. -Ou a máis lograda, como pon na contraportada-. Se é así, podes explicalo? Levo catro anos sen escribir, agás unha novela infantil que sairá agora. Todo o que fun publicando xa o tiña escrito, e penso que polas miñas circunstancias actuais xa non me embarcarei nunca máis nun proxecto como o do Xardineiro. Foi moito tempo e uns azos dos que agora non teño. Penso, persoalmente, que é a miña mellor novela en canto a artefacto literario, polo moito que fun aprendendo de editores, correctores e tradutores dende que comecei a publicar. Festina é unha obra dun autor case novel daquela. Se a escribise hoxe non sería igual e penso que melloraría en moitos aspectos. "Penso, persoalmente, que é a miña mellor novela en canto a artefacto literario" Xa falabamos antes disto, pero nas páxinas 150 e 151 parece que quen fala non é o personaxe-narrador, senón Marcos Calveiro. Un escritor que acadara certa sona coa súa primeira novela, unha novela histórica, e que se dera de fuciños coa realidade coa súa segunda novela. É coñecida a túa traxectoria: de avogado-escritor a escritor profesional, a escritor e dono dun bar... Segundo xa tes explicado, non foi só que a crise che impedise vivir da escrita, é que mudaron as túas prioridades. Atender un bar non parece moi compatible con escribir moito -acabo de pensar en Iolanda Zúñiga-. Nalgún momento para min vivir era escribir, estaba na crista da onda, e o baixón foi brutal, case acaba comigo. Agora levo todo con moita tranquilidade, descubrín que podía vivir sen escribir. Teño unha parella, fillos, un negocio: esas son as miñas prioridades nestes intres. Antes non perdía ningún evento cultural, actos, encontros escolares, conferencias... Agora non teño tempo e perdín certo interese, fágoo puntualmente. "Nalgún momento para min vivir era escribir, estaba na crista da onda, e o baixón foi brutal, case acaba comigo" O mundo da cultura galega co seu reducido tamaño é moi endogámica, eramos e somos sempre os mesmos, e farteime. Soñei que iso podería mudar e con esa ilusión vivín moito tempo, pero de ilusión non se vive. Teño un coche con 19 anos e máis de 200.000 quilómetros percorrendo o país de punta a punta e penso que nada mudou, incluso foi a peor, así que, que lle dean. A nosa filla é unha gran lectora con 13 anos, e emociónome descubríndolle libros ou cómics que logo lle entusiasman. Esa é a miña gran recompensa literaria, o meu activismo cultural volveuse familiar... "O mundo da cultura galega co seu reducido tamaño é moi endogámica, eramos e somos sempre os mesmos, e farteime" Ao buscar conexións entre as túas obras, decátome de que a denuncia da opresión e da inxustiza -se cadra tamén ten que ver co teu oficio de avogado-, están moi presentes. (As palabras poden matar, Palabras de auga, O carteiro de Bagdad, Settecento e Festina Lente...). Dirías que a túa creación literaria responde, dalgunha maneira, a iso? Penso que non ten que ver co meu antigo oficio de avogado, simplemente coa miña condición de ser humano con inquedanzas sociais, a realidade do mundo que nos rodea ecoa en todas as miñas obras. Co paso dos anos, vou facer 50, decateime que case nada mudou, que a opresión e a inxustiza segue aí facendo das súas, incluso malia o que nos venden estamos nun proceso de involución en que nos están a roubar moito do gañado e iso indígname e esa carraxe foi motor da miña escrita moitas veces. "Estamos nun proceso de involución en que nos están a roubar moito do gañado e iso indígname e esa carraxe foi motor da miña escrita moitas veces" O libro levaba un tempo pasando por distintas editoras, e penso que por distintos premios. Supoño que, ao reducirse moito o número de títulos, tornouse máis difícil que che publiquen. Mais en O xardineiro dos ingleses tamén a voz narradora fala dunha realidade: non hai base lectora que poida sustentar o ritmo de publicacións que houbo nun pasado recente. Uns 400 lectores, ou 1000 nos mellores casos, di o narrador. Non che vou facer a pregunta de como aumentar esa base lectora mais, cando falamos da redución de títulos e tiraxes, se cadra reflexionamos pouco sobre esta realidade. Que opinas ti? O libro rulou por moitos premios, abofé, e algunha editora ofreceume publicalo, mais eu quería máis visibilidade para el, máis lectores, e por suposto, non o vou negar, algo máis de cartos que o que unhas vendas escasas lle darían. Xa o fixera con Fontán e repetín. Supoño que aínda teño unha espiña cravada con Settecento, do que eu agardaba máis. Sempre me pasa cos meus preferidos, Rinocerontes, Centauros... Ademais non me importaba deixalo nun caixón e agardar por tempos mellores, se é que os hai. "Moitas das decisións na novela tomounas a persoa que son e non o escritor, é algo que aínda non aprendín" En canto a esa voz narradora, precisamente, e isto é unha percepción persoal, ás veces resultoume un pouco intrusiva -contábame demasiado-, e ás veces tamén usaba, para o meu gusto, demasiados adxectivos... Como pensas, precisamente, ese narrador, en comparación por exemplo coa voz que leva as rendas do relato en Festina Lente? Recoñezo que si, que me deixei levar e ás veces e metinme onde no era preciso. A historia fóiseme un chisco das mans. Pasoume tamén cando lin todos os testemuños das mulleres represaliadas polos fascistas, a carraxe venceume e de aí esa vinganza final na novela contra os asasinos, que algún lector me botou en cara por inverosímil, e pode que así sexa, pero o corpo pedíamo e non me puiden resistir. Moitas das decisións na novela tomounas a persoa que son e non o escritor, é algo que aínda non aprendín, distanciarme da historia e ser máis "profesional"...
NOS_40148
A exposición Pingas rompentes, no Museo do Mar de Vigo, explora os diferentes modos en que a veciñanza co Atlántico modela a visión do mundo na Galiza.
Non sabemos o que pensaría Zygmunt Bauman -o filósofo que acuñou o concepto de "modernidade líquida"- sobre a hipótese de que a galega fose unha "identidade fluída", mais si podemos traballar con ela para calibrar como a veciñanza co Atlántico marcou as liñas básicas da nosa personalidade. Polo menos no que ten a ver coa arte contemporánea: non en van o movemento que lle deu presenza internacional á arte galega a finais do século XX foi denominado Atlántica. No Museo do Mar de Vigo está patente, até o 9 de xaneiro, a exposición Pingas rompentes, que forma parte dun proxecto máis amplo, Unha mirada á Galiza, co que o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) pretende dar a coñecer a creación galega recente a través das obras da súa colección. Carla Andrade, Berta Cáccamo, Eva Díez, Christian García Bello, Xurxo Gómez Chao, Vítor Mejuto, Álvaro Negro, Carme Nogueira, Pamén Pereira e Andrés Pinal son os dez artistas escollidos para mostrar como esa atracción atlántica podería condicionar a mirada da arte. Sara Donoso, comisaria da mostra, en conversa con Nós Diario, explica que o Museo do Mar "ofrecía o marco perfecto para acometer esta tarefa de tomar a auga como pretexto para unha reflexión sobre numerosos motivos que se relacionan directamente coa imaxe da Galiza: o mar, a auga modelan un corpus cultural moi concreto e recoñecíbel. Ao mesmo tempo, a auga é un elemento fluído, o que permite falar dunha unidade en cambio constante". Donoso seleccionou as obras tendo en conta que fosen posteriores ao ano 2000 -para vincular o conxunto á creación máis recente- e buscou pezas que non fosen moi coñecidas, para incidir no obxectivo do proxecto de dar a coñecer a colección do CGAC. O mar no fondo da identidade A mostra, ademais, conxuga obras de artistas con prestixio dentro e fóra da Galiza con outras máis novas que están comezando a obter recoñecementos. "A idea era que as pezas dialogasen entre si en relación co tema da auga, entendida nun sentido amplo", di Donoso. "Hai pezas que teñen unha relación moi directa co mar, como a de Pamén Pereira, que é unha gravación dunha cicloxénese en Ferrol, ou como as de Xurxo Gómez Chao, dúas fotografías do océano. Mais hai outras que teñen que ver co mar nun sentido máis conceptual, como a obra de Carme Nogueira, que fai unha reflexión sobre como a presenza dun porto vai modificando os comportamentos sociais e culturais en lugares como Valparaíso ou Vigo. Trátase de ver como cada artista se achega á relación co mar, coa auga, e como iso ten que ver co territorio galego, como esa relación, unhas veces de forma velada e outras de maneira máis directa -desde o estético, o social ou o político-, sempre acaba por abrollar". Esa relación co líquido transfórmase, en ocasións, nunha forma de traballar. "No caso de Berta Cáccamo, por exemplo, a fluidez da pintura, tan manifesta na súa obra, evoca esa liquidez da auga. Berta Cáccamo xa non está connosco, mais hai poucas artistas tan contemporáneas como ela. A súa inclusión era tamén unha forma de renderlle unha homenaxe", aclara Donoso. "A súa obra, ou a de Álvaro Negro, constitúen dous casos de investigación plástica nos que a idea de fluído, de vertido, está sempre moi presente". Outras veces, a indagación estética reflicte buscas que se relacionan directamente coa conformación da imaxe do país. En Aparellos para cartografar un país, Vítor Mejuto traslada ao lenzo a triangulación coa que Domingo Fontán compuxo o primeiro mapa da Galiza en 1817. Inquire no xeométrico e na abstracción tomando como asunto un episodio real que levou ao deseño da primeira imaxe cartográfica da Galiza, fusionando así unha pescuda plástica con outra científica. O mar que conforma unha mirada Noutras ocasións, o mar funciona como motor que inspira a propia actividade artística. "Carla Andrade, unha artista de Alcabre (Vigo), é unha creadora que está viaxando permanentemente e que viviu en moitos lugares moi diferentes, mais sempre comenta que medrar a carón do mar foi o que a marcou, o que a empuxou a interesarse pola paisaxe e a reflexionar sobre as ideas do inconmesurábel e do baleiro". A peza que Andrade presenta na exposición, A paisaxe está baleira e o baleiro é paisaxe, centra a súa atención no deserto de Atacama, mais non é difícil intuír nos amplos horizontes que retrata a idea do mar como invitación á viaxe entendida como medio de coñecemento. "En certo sentido, o mar propicia esa mirada que interroga, invita a facerse preguntas e a sorprenderse coas cousas que se descobren", conclúe Donoso. Acción sobre a influencia dos portos na conformación das cidades A artista Carme Nogueira realizará en novembro unha actividade que abrangue reflexións arredor do crecemento da cidade de Vigo, os seus fluxos, a influencia do mar e as súas dinámicas. Partindo da peza O Porto (do proxecto "Porteños"), desenvolverase un encontro co público no porto vigués para chamar a reflexionar sobre a influencia deste espazo na construción de Vigo como cidade. A artista activará a obra máis aló da contorna expositiva, convidando a reflexionar sobre a influencia social, política e cultural das cidades portuarias.
PRAZA_15581
O FROB confirma que os actuais accionistas da entidade, Novacaixagalicia e varios investidores galegos, perderán os cartos coa recapitalización.
O FROB vén de confirmar o agardado. Nun comunicado emitido a última hora deste mércores, ratificou que a recapitalización de Novagalicia Banco provocará que os seus actuais accionistas queden sen participación ningunha na entidade. Nin Novacaixagalicia, caixa fusionada e xermolo do banco, nin os investidores galegos que acudiron á chamada de Castellano e Feijóo pintarán nada. Novacaixagalicia perde a oportunidade de manter a obra social e os investidores galegos ven esvaecerse 70 millóns de euros O FROB queda, xa que logo, co 100% do capital. A caixa, que tiña o 6,8% do capital, desaparece do mapa e perde a oportunidade de manter a obra social, mentres que os investidores privados (co 2,6%) ven como se esvaecen os 70 millóns que puxeron en Novagalicia como parte dun compromiso persoal cun sistema financeiro galego que desaparece aos poucos. Confirmáronse así os peores presaxios, os que xa adiantara o ministro De Guindos a semana pasada e que foron ratificados polo propio FROB, que non dá outra opción máis que a xudicial a estes investidores para recueprar algo dos seus cartos. Xusto a operación acordeón, esa que non desexaba ninguén -e moito menos os traballadores de Novacaixagalicia- foi a que se confirmou. A entidade déixase a cero, xa que o seu capital ten unha valoración negativa (foi taxado en -3.091 millóns). Os 251 millóns da caixa e dos investidores (181 e 70) desaparecen para que se inxecten logo os case 5.500 millóns do rescate europeo a través dunha ampliación de capital. A quita aos afectados polas preferentes levarase a cabo no primeiro trimestre de 2013 Ademais, tamén se converterán en capital os 1.162 millóns en participacións preferentes que o Estado comprara á entidade hai dous anos para facilitar a fusión das caixas. O FROB adianta tamén que a quita para estas participación, así como para as subordinadas aplicarase no primeiro trimestre de 2013, aínda que non aclara en canto quedará. Segundo adiantara De Guindos, os afectados perderán de media o 40% dos cartos. O capital social de Novagalicia será de 1.480 millóns de euros Logo de coñecerse o futuro dos investidores e o control da entidade, os case 5.500 millóns do rescate chegarán nos vindeiros días e despois de que se aclarase a venda de activos ao banco malo. Así, o capital social de NGB situarase en 1.480.523.979 euros tras a execución das operacións previstas para a inxección das axudas europeas na entidade. De acordo coa resolución publicada este xoves polo FROB no Boletín Oficial do Estado (BOE), a valoración do banco galego arroxa unha cifra de 3.091 millóns de euros en negativo. O valor liquidativo, o que custaría liquidar NCG Banco, sería de 13.079 millóns de euros, segundo os cálculos dos mesmos tres valoradores independentes que analizaron á entidade. Por outra banda, a banca nacionalizada traspasará o luns á Sareb (a sociedade inmobiliaria público-privada, coñecida como banco malo) 37.109 millóns de euros en activos tóxicos vinculados ao ladrillo: préstamos morosos a promotores, bens inmobles que se tiveron que quedar por falta de pago (chan, edificios a medias, pisos...) e participacións accionariais vinculadas a ese sector. A cambio recibirán débeda con aval do Estado coa que obter liquidez do Banco Central Europeo. Os afectados son Bankia, Catalunya Banc, Banco de Valencia, NCG e o seu participado o Banco Gallego.
NOS_46292
O máximo de mobilidade cotiá na Galiza desde o inicio da pandemia foi o 15 de xullo. Esa data, unha de cada catro persoas na Galiza saíron da súa área de residencia, fronte ao 5,97% do 5 de abril, en pleno confinamento
O 15 de xullo de 2020 atinxiuse o máximo de mobilidade cotiá desde o inicio da pandemia en Galiza, cun 22,91% de persoas saíndo da súa área de residencia, segundo os estudos de mobilidade da poboación a partir da telefonía móbil 2020-2021. Pola contra, o mínimo deuse o 5 de abril, cun 5,97% de persoas saíndo da súa área de residencia. Mentres, o 23 de decembro do pasado ano, a mobilidade situouse no 17,53%. A 26 de maio de 2021, o último dato dispoñíbel, a porcentaxe alcanza o 19,36%. Por áreas, a de Barro e Pontevedra chega ao 27,36% de mobilidade cotiá, mentres que a de Santiago de Compostela e Trazo, outra das máis elevadas da Galiza, sitúase no 26,45%. O Instituto Nacional de Estatística (INE) retomou esta quinta feira a publicación de estudos de mobilidade da poboación para partir do posicionamento dos teléfonos móbiles, con datos que se actualizarán cada semana. A mobilidade analízase desde dúas perspectivas, a primeira, a mobilidade cotiá, dous días por semana, todas as cuartas feiras e domingos desde o 3 de xaneiro ata o 29 de decembro de 2021, ambos inclusive -neste apartado publícanse esta quinta feira os datos ata o pasado 26 de maio-. A segunda perspectiva é a mobilidade estacional da poboación residente no Estado español, tomando como referencia dous días concretos do verán (17 de xullo e 15 de agosto), e dous días concretos do inverno (21 de novembro e o día de Nadal). A porcentaxe de poboación que en días laborábeis desprazou fóra da súa área de residencia durante as horas centrais do día durante o segundo semestre de 2020 foi moi inferior ao rexistrado en 2019. Así, a nivel estatal esta porcentaxe mantívose practicamente toda a segunda metade de 2020 na contorna do 20%, fronte a niveis próximos ao 30% nunha semana "normal" do ano 2019 (en concreto a semana do 18 ao 21 de novembro, que foi a tomada como referencia). O máximo de mobilidade cotiá alcanzouse o 15 de xullo de 2020, cun 22%. No caso galego, esta data a mobilidade cotiá chegou ao 22,91%. A principios de xaneiro de 2021 apenas o 10% da poboación saíu da súa área de residencia en días laborais, coincidindo coa terceira onda da pandemia e o temporal Filomena. Esta porcentaxe empezou a crecer a partir de mediados dese mes, alcanzando niveis do 20% a partir de abril.
QUEPASA_1109
O médico de Camelle explica como e cando usar as "mascarillas" caseiras.
Na liña das 15.000 máscaras artesanais feitas por ducias de voluntarias a raíz dunha iniciativa do Concello, e distribuidas polo voluntariado de Correos, Camariñas ponse agora á fabricar máscaras infantís artesanais. Dirixidas a nenos e nenas de entre 2 e 14 anos, utilizan para a súa fabricación utilizouse material TNT (Tejido No Tejido) de triple capa, aumentando a protección. Serán de novo máis de 50 voluntarias coordinadas polo departamento da Mostra do Encaixe as creadoras destas máscaras, gracias á doazón de 80 metros de tela TNT e 18.000 alambres pola Floristería Alecrín. As máscaras serán repartidas, a partir da semana que vén a domicilio a través de Protección Civil, aproveitando o reparto de libros e material escolar. Unha acción pensada xa "para cando se vaian levantando as medidas do confinamento e poidan saír outra vez ás rúas". Outros temas da comisión Ademais, na Comisión douse conta da solicitude municipal a través da FEGAMP da intervención da UME para a limpeza dos centros de saúde. Material Tamén informaron de que a Xunta de Galicia entregou 350 máscaras cirúrxicas, 400 luvas de nitrilo, 5 botes de 500 ml. de xel hidroalcohólico, 8 litros de lixivia e 8 traxes antisalpicaduras. Ademais, a Deputación informou que vai enviar un primeiro reparto ao Concello de 786 máscaras cirúrxicas. E o Concello fixo un pedido para mercar 100 mascarillas FFP2. Familias necesitadas A asistente social informou de que polo momento hai 3 solicitudes de familias para que se lles faga entrega de alimentos, que están a ser xestionadas por Protección Civil e Cruz Vermella.
PRAZA_13529
A Unión Europea debería avanzar na dirección de prohibir constitucionalmente os rescates soberanos alén de impor regras de disciplina fiscal aos países membros. Así, os prestamistas internalizarían completamente o risco de emprestarlle a un país que chegado o momento tería que valerse por si só para devolver os empréstemos, o cal acoutaría as bullas crediticias
1.O rescate non é un regalo. É un empréstemo a una taxa de xuros vantaxosa. Os países que nos conceden o empréstamo finánciano endebedándose, como eles teñen credibilidade poden obter o crédito de xeito mais barato do que podería obtelo o goberno español. Os países europeos emiten débeda que poden obter a taxas do 2%-3% e logo a conta do que recadan dánnos un crédito a taxas de xuros arredor do 3%-4%. Se o goberno español pedise este crédito sairíalle a mais do 7%. Mesmo podería ser que a petición de tal crédito implicase a súa insolvencia. Isto quere dicir que non é estritamente certo que sexan os contribuíntes alemáns os que pagan exclusivamente o rescate. Seremos sobre todo os contribuíntes españois os que o paguemos. O rescate aumenta o monto da débeda pública e por tanto as dificultades para devolvela 2. O empréstemo do rescate engrosará a débeda pública española, por iso, cando se anunciou a posibilidade do rescate, o premio de risco da débeda pública española aumentou. Este aumento do premio de risco debemos computalo tamén como un custo indirecto do rescate. 3. O rescate pode dar lugar a un bucle perverso entre a situación da débeda pública española e a situación dos balanzos bancarios. O rescate aumenta o monto da débeda pública e por tanto as dificultades para devolvela, os bancos españois teñen un gran volume de débeda pública española nos seus balanzos, ao empeorar a situación da débeda pública española empeora a solvencia da banca española, ao empeorar a solvencia da banca española maior será o volume do rescate bancario e peor, por tanto, a solvencia das arcas públicas, e así sucesivamente. Moitos temen esta pérfida espiral. Por certo, a barra libre de liquidez do BCE agudizou este problema pois os bancos españois con esta liquidez compraron mais débeda pública española mentres os bancos estranxeiros desprendéronse da mesma. Así, a exposición da banca española á débeda pública española é maior hoxe que hai un ano. 4. Un xeito de quebrar a retro-alimentación entre os problemas de solvencia da banca e do Estado sería que os países europeos rescatasen directamente a banca española. Isto suporía que estes países –os seus contribuíntes- asumirían as débedas da banca española. Evidentemente, moi dificilmente accederán. Non aposte por isto. Por suposto que o empréstemo implicará condicións. Cando lle deixen o diñeiro ao Estado serán os seus acredores. E a misión vital dun acredor é cobrar o que lle deben. Para iso necesitan que o Estado español ingrese mais do que gasta 5. Por suposto que o empréstemo implicará condicións. Cando lle deixen o diñeiro ao Estado serán os seus acredores. E a misión vital dun acredor é cobrar o que lle deben. Para iso necesitan que o Estado español ingrese mais do que gasta, o crecemento da economía española axudaría a cumprir este obxectivo, mais non é condición indispensábel. 6. O rescate non soluciona os problemas do país. Que foi o que solucionou en Grecia? Se o rescate solucionase os problemas macroeconómicos entón deberíamos ter asistido a unha substancial baixa do premio de risco nos países rescatado. Aconteceu isto? Non. O rescate non soluciona os problemas do país. Que foi o que solucionou en Grecia? 7. O rescate soluciona os problemas dos acredores e dos accionistas. É dicir, os países europeos darán diñeiro ao goberno español para que este devolva as súas débedas (e as que fixo súas socializando as débedas privadas) aos bancos europeos. Na medida en que o diñeiro do rescate se destine a salvar bancos, tamén os accionistas dos mesmos poden saír beneficiados, depende de como se faga o rescate bancario. 8. Posibelmente o rescate nos condene a un longo período de penuria económica pois -aínda que normalmente condicionados a que o país en dificultades realice reformas estruturais que melloren o estado da súa economía- suaviza as presións reformadoras xa que o diñeiro do rescate permite facer fronte, aínda que sexa a trancas e barrancas, aos pagamentos e os xestores públicos non se ven entón na obriga de facer as reformas estruturais que permitan unha redución permanente do gasto público. Se chegado o momento o Estado español non é quen de facer fronte ás súas obrigacións entón o que debe facer é suspender pagamentos e negociar unha quita sobre a súa débeda 9. Se chegado o momento o Estado español non é quen de facer fronte ás súas obrigacións entón o que debe facer é suspender pagamentos e negociar unha quita sobre a súa débeda. Esta é a verdadeira disciplina do mercado. Por un lado faille pagar o pato aos acredores e ensínalles que non se pode emprestar diñeiro alegremente. Por outro, obriga ao goberno a recortar o gasto público pois xa non haberá quen lle financie déficit algún. 10. A Unión Europea debería avanzar na dirección de prohibir constitucionalmente os rescates soberanos alén de impor regras de disciplina fiscal aos países membros. Así, os prestamistas internalizarían completamente o risco de emprestarlle a un país que chegado o momento tería que valerse por si só para devolver os empréstemos, o cal acoutaría as bullas crediticias. Nos Estados Unidos –unha exitosa unión monetaria moito mais antiga que a nosa- é o que acontece, o goberno federal nunca rescata un Estado en problemas.
NOS_26588
O Consell Nacional de ERC celebrado este sábado non pecha a porta a unha candidatura unitaria para o 21D, pero quere que esta "represente a un sector máis amplo que JxSí", a fórmula de concorrencia que levou aos republicanos ao goberno nas eleccións de 2015. ERC pretende sumar a esa coalición ás CUP e a Podem; cando menos á parte de Podem máis proclive ao soberanismo.
«Si iso é imposíbel, cada cal polo seu lado e cunha estratexia coordinada», sinalaron a medios cataláns fontes de ERC, aludindo a que os diferentes partidos poderían compartir puntos dun mesmo programa. En calquera caso, o prazo para formalizar as coalicións electorais remata o día 7. A día de hoxe, non se descarta ningunha opción respecto a estratexia de ERC, a formación que as enquisas dan como vencedora. Porén, a aposta do president Carles Puigdemont onte vía Twitter pola creación dunha lista unitaria atopou resistencias en ERC. Esta mañá Marta Rovira, a secretaria xeral, evitou expresar unha postura clara. Rovira centrou o seu discurso en subliñar a ilegalidade dos comicios, mais dixo que ERC participará neles "porque antes de independentistas somos demócratas e estas eleccións ilexitimas son un paso máis para acumular maiorías, gañar lexitimidade e seguir loitando. Temos a obriga de gañalas", dixo. Rovira esixiu ao goberno do Estado a liberación dos presos políticos para que as distintas formacións concorran en igualdade de condicións. "Non hai igualdade, nos temos presos políticos e eles non", indicou antes de pedir ao Estado que se comprometa a respectar o resultado do 21D.
NOS_13504
Representantes de perto de medio cento de colectivos reuníronse na mañá do sábado en Santiago de Compostela para poñer en marcha Vía Galega, plataforma social para a defensa dos dereitos nacionais de Galiza, que xa ten un amplo calendario de actos e actividades para este 2018.
Baixo a denominación Vía Galega, Plataforma social para a defensa dos dereitos nacionais de Galiza encetou a súa posta en funcionamento esta rede de fundacións e colectivos de diversos ámbitos que traballan coa vista posta en dous obxectivos principais: o recoñecemento de Galiza como nación e o recoñecemento do dereito de autodeterminación. "Todas as persoas que representamos colectivos dentro da plataforma estabamos de acordo en que debiamos procurar non xerar moitas expectativas no sentido de non abarcar moitas reivindicacións, de aí que Vía Galega estea moi centrada en traballar con esas dúas ideas –o recoñecemento de Galiza como nación e do dereito de autodeterminación– á hora de crear conciencia no noso pobo e á hora de aparecer ante calquera tipo de institución ou instancia como defensora desas reivindicacións", afirma, en declaracións a Sermos Galiza, Suso Seixo, presidente da Fundación Moncho Reboiras, ao saír da reunión que tivo lugar na mañá do sábado, día 20, en Compostela. Nesta primeira gran cimeira, que decorreu nun ambiente de cooperación e consenso, aprobouse a denominación definitiva, Vía Galega, Plataforma social para a defensa dos dereitos nacionais de Galiza, e acordouse un amplo calendario de actividades que darán comezo o 3 de marzo coa presentación pública en Compostela. "O lugar está pendente, mais imos procurar que sexa no centro social de Conxo, pois coincide cos 162 anos do Banquete". Aliás, recolléronse ideas para a elaboración da imaxe gráfica da entidade; acordouse legalizar a plataforma como asociación cívica e editar o manifesto onde se recollen as motivacións e obxectivos da entidade. Coa vista posta en novembro Por outra banda, na reunión da mañá do sábado, as persoas presentes acordaron que se redactará unha Carta de dereitos do pobo galego, cuxa aprobación e presentación decorrería nunha asemblea nacional o 17 ou 18 de novembro en Lugo, coincidindo cos 100 anos da Asemblea Nacionalista e da aprobación do Manifesto, un acto que remataría cunha gran mobilización nacional. A maiores aprobouse constituír una Coordinadora onde inicialmente estarán as sete fundacións do movemento do soberanismo que impulsaron a plataforma, Artábria, Alexandre Bóveda, Galiza Sempre, Manuel María, Moncho Reboiras, Terra e Tempo e Vía Galego, e o campo sindical, tanto operario como rural, o campo estudantil, o cultural e o da solidariedade internacional. Ficaría pendente de cubrir, indica Seixo, a representación do campo da música tradicional, do deporte, do ecoloxismo e dos centros sociais, pois van acordar a persoa ou persoas os colectivos deste ámbito que fan parte da coordinadora. Serán funcións deste órgano, "executar e facer seguimento dos acordos que toma o plenario". Porén, o da plataforma "é un proceso que se mantén aberto á incorporación de novas entidades, que asumindo os dous principios básicos, poderán integrarse na Coordinadora e no Plenario". A partir do acto público do 3 de marzo en Compostela, terían lugar, entre ese mesmo mes e abril, presentacións nas sete cidades e en todas as vilas en que sexa posíbel. "Non pretendemos ocupar o espazo das entidades que conforman a plataforma nin das entidades políticas, mais se houbese calquera feito de carácter político que agredise os nosos dereitos como país, evidentemente, responderiamos a ese feito con independencia dos actos e actividades previstas", engade Seixo, quen asegura que Vía Galega "terá moito percorrido". A posta en marcha de Vía Galega vén motivada pola propia situación socio económica do país, marcada pola destrución dos sectores produtivos, a falta de emprego para a mocidade que se ve forzada a emigrar, a perda do sector financeiro, o espolio dos recursos naturais, as políticas industriais de corte colonialista, os recortes nos servizos públicos, etc. Unha realidade, salienta a plataforma, que hai que vincular a ausencia de soberanía e a falta de capacidade de decisión. Nesta liña, Vía Galega busca que Galiza non fique marxinada do debate territorial que se poida dar, senón que actúe como un suxeito visíbel. "Queremos aglutinar a sociedade arredor desta realidade e que Galiza teña presenza plena nese posíbel debate", aseguran desde a plataforma. Participantes Participaron da reunión da mañá do sábado Fundación Galiza Sempre, Centro Social Gomes Gaioso, Asociación Cultural Roxín Roxal, Asociación de Veciños/as Agra do Orzán, Fundación Manuel María, Asociación Cultural e Musical Solfa, Asociación de Emigrantes Retornados Marusía, Asociación Cultural Alexandre Bóveda, Organización Galega de Montes Veciñais en Mancomún, FRUGA, AS-PG, Asociación Cultural Lúa Chea, CIG, Mar de Lumes, Sociedade Cultural Medulio, AJA Galiza José Afonso, Asociación Cultural O Galo, Asociación Cultural Centáuria, Asociación Cultural O Castro, Fundación Terra e Tempo, Fundación Alexandre Bóveda, Fundación Ernesto Guerra da Cal, Fundación Moncho Reboiras, Asociación Cultural Auriense, ERGUER, Asociación pola Protección Animal Aveiro, Fundación Artabria, Sociedade Cultural e Deportiva do Condado, Sociedade Cultural e Deportiva Minas de Salvarosa e Asociación Cultural Cultura do País. Aliás, outros colectivos enviaron a súa adhesión.
NOS_58080
Bruno Rúa estudou Filosofía pola rama de Antropoloxía e Metodoloxía Científica. O interese por coñecer o patrimonio material e inmaterial da comarca de Monterrei levouno a percorrer todas as súas aldeas seguindo os pasos de Taboada Chivite. Deixou constancia gráfica de numerosos elementos pouco coñecidos trasladándoos ao grupo de Facebook que xestiona, "Tamagania, o país do Alto Tâmega", que conta na actualidade con máis de 5.000 membros.
Avante Pouca De onde lle veu o interese por coñecer as aldeas da comarca? Cando creas unha páxina deste tipo ao obxectivo inicial engádeslle moitas cousas polo medio. No meu caso, hai 17 anos cadroume ter seis meses nos que non tiña traballo. Collín as obras de Taboada Chivite coa decisión de coñecer os lugares que se trataban nelas. Quixen facelo dunha maneira metódica e levaba unha libreta, unha cámara de fotos, preguntaba o nome dos lugares. Polo camiño aprendín outras cousas que non tratara Taboada Chivite. Pensei que desde a súa morte, hai case 50 anos, non se engadira nada ao coñecemento desta comarca. Decidín poñerme a facelo eu, mais sen ter a intención de compartilo de maneira pública. En realidade era unha motivación egoísta, quería sabelo para min. Cando o volume de datos medrou, animáronme a compartilo e editei un libriño, a Guía arqueolóxica do Alto Tâmega, que non tiña moitas pretensións. Avante Media Como naceu o grupo de Facebook "Tamagania, o país do Alto Tâmega"? Cando chegou o Facebook e eu, aínda que era remiso, decateime de que as redes sociais eran importantes para difundir a mensaxe. Deime de conta a través do que aconteceu co castelo de Monterrei e coa idea de recuperalo para a xente. Colaborei levando a páxina e vin que se lle podía sacar máis partido e que podía ir máis alá da reivindicación. Internet para min é unha ferramenta e hai que sacarlle o bo. Após enquistarse o problema do castelo, seguín a miña propia vía e creei "Aldeas de Monterrei". Non quixen chamarlle comarca de Verín ou de Monterrei, que nunca me convenceron. Busquei un nome que englobase o histórico, o xeográfico e o político e ocorréuseme que o máis importante dunha comarca era o río, neste caso o Támega. Sabemos da existencia dos Tamagani, a tribo que dominaba estas terras antes da chegada dos romanos, que pasou a darlle o nome á paxina. Ademais quixen que fose aberto para que houbese participación. No fondo, unha páxina deste tipo ten que ter tamén un obxectivo social, algo pedagóxico e práctico a un tempo. Acabo de rematar unha segunda xeira por todas as aldeas e con todas elas fixen unha serie de categorías. Agora mesmo estou publicando aldea por aldea e comezo pola arquitectura tradicional e popular, paso polas construcións da auga, como poden ser muíños, fontes ou lavadoiros, até a industrial, na que trato forxas ou fornos para rematar a visión completa da aldea a nivel patrimonial. Tento non pararme moito en cada tema por cuestións de tempo e engado unha parte de datos históricos e calquera achega á tradición oral que me foron achegando. Avante Toda Que satisfaccións lle trouxo este grupo nas redes? Para min moi positivo. Algunha vez, indo polas aldeas, a xente comentábame que coñecía as miñas publicacións, mesmo persoas de idade. É o obxectivo social que tamén ten a páxina. Cando ven que o teu afán é o coñecemento, o seguinte paso é que te convidan a ver elementos patrimoniais que non coñecerías doutra maneira. Logo vén a divulgación. Moita xente non sabía que había algo máis que o castelo. Descobren que se pode facer "turismo" en trinta quilómetros ao redor. Sei que logo de ver a páxina, moita xente vai visitar os lugares que se mencionan. Outra satisfacción foi que, cando comecei, había 26 petróglifos catalogados e a día de hoxe xa hai 338. É a constatación de que non se buscaron. Amplificouse o coñecemento da nosa propia comarca e conseguiuse animar a xente.
NOS_46810
Varios centos de persoas apoiaron unha mobilización a través da que demandaron ás Administracións unha intervención decidida en defensa do sector e do futuro laboral da comarca.
Varios centos de persoas secundaron en Vigo a convocatoria de mobilización feita pola unión comarcal de Vigo e a federación de Industria da CIG en defensa do naval e polo futuro da comarca. A marcha, que partiu desde A Dobrada e rematou ás portas da delegación da Xunta na cidade, serviu para denunciar a situación pola que atravesa este sector, fundamental para a economía da comarca e do que dependen milleiros de empregos. Como lembran desde a organización sindical, os estaleiros de Vigo "son verdadeiros polígonos industriais que xeran postos de traballo e riqueza", mais desde hai anos esta industria atravesa unha profunda crise que fixo que se perderan 5.900 empregos, aos que hai que sumar os postos de traballo indirectos, que ascenden a máis de 17.000. Na actualidade esta crise ameaza con facer desaparecer o sector, coa "agonía" de Vulcano, coa Autoridade Portuaria de Vigo dándolle "a estocada final". ao que se engade a escasa actividade de Metalships e o abandono de Barreras, tanto pola Administración estatal como pola Xunta, "relegando Galiza como líder na construción naval do Estado español". Por iso na CIG consideran que as Administracións teñen que intervir para manter este sector chave para a comarca de Vigo e para o conxunto da economía do país. "Hai que pór en marcha a Mesa do Naval da ría de Vigo para abordar as solucións reais que aseguren a continuidade da actividade e do emprego no sector", afirman. Neste senso, apostan por crear un 'holding' entre os distintos estaleiros, empresas auxiliares e compañías transformadoras do metal na ría de Vigo, con participación pública e privada, e por diversificar a oferta para aumentar a carga de traballo. Tamén avogan por manter Barreras como estaleiro punteiro pola vía da súa volta ao sector público e recuperar a actividade nas instalacións da antiga Vulcano, mantendo a concesión actual do Porto de Vigo para a construción e reparación naval. Manifestación da CUT Case á mesma hora e tamén en Vigo, o sindicato CUT tiña convocada media hora máis tarde do inicio da mobilización do naval, ás 19.30 horas, unha manifestación na confluencia das rúas Vía Norte e Urzáiz para exixir a derrogación da reforma laboral que finalmente foi aprazada á vindeira terza feira, 30 de novembro. A marcha sairá á mesma hora da convocatoria anterior da praza dos Cabalos baixo o lema "Non máis farsas coa reforma laboral. Derrogación si ou si".
NOS_3446
Un Rajoy distendido e un chisco burlón lidou sen dificuldades coas pouco prementes perguntas da imprensa española en Berlín. Cabo del, Merkel aparecía máis sorrinte aínda. Alemaña avalou explicitamente o Goberno Rajoy, abalado pola treboada da corrupción.
Rajoy non se saiu do guión preestabelecido, o negacionista, salvo nunha enigmática frase que non esclareceu porque os correspondentes españois desprazados en Alemaña -para cobriren a cimeira hispano-alemá- non reperguntaron. Todo é falso, veu dicer, como xa afirmou o sábado en Madrid, "salvo algunha cousa que é o que teñen publicado os medios de comunicación estes días". Aquí a imprensa española non inquiriu a Rajoy a que cousa se refería en concreto. Perguntado directamente se vai interpor unha demanda contra o ex tesoureiro do PP, Luis Bárcenas, Rajoy foi evasivo e dixo que ese é un asunto que está a ser estudado polos servizos xurídicos do partido. A chanceler Merkel avalou explicitamente a política de recortes despregada polo Goberno español. Foi alén da cortesía diplomática e até foi clara no respaldo a Rajoy cando foi perguntada por se estaba preocupada pola corrupción no Estado español.
NOS_26117
Presentou no Rexistro unha proposta aos diferentes grupos parlamentares e incide en que "estamos perante un problema grave para o país".
Unha delegación de Vía Galega presentou no Rexistro do Parlamento galego un escrito dirixido aos grupos parlamentares para que o problema da emigración sexa debatido e tratado na Cámara. A Plataforma social en defensa dos dereitos nacionais da Galiza propón que o Parlamento considere a emigración como "un drama social e nacional" e que cree un "relatorio sobre a emigración galega" para que, "no prazo de 5 meses", popoña actuacións e políticas ao respecto. A deputada do BNG, Montse Prado, acompañou a delegación. Vía Galega considera que deben de ser "eixos" destas políticas "a defensa da base produtiva", a "creación de emprego digno e de calidade" ou o "desenvolvemento de políticas sociais", entre outras. Anxo Louzao, un dos voceiros da plataformas, afirma que a emigración "non é só un drama persoal", senón que tamén é un drama "social e nacional", unha "sangría" que prexudica o país. Nesta liña, afirma que na ´última década tiveron que marchar da Galiza por volta de 260.000 persoas entre 16 e 50 anos de idade. Delas, unhas 80.000 tiñan entre 16 e 29 anos. "O devalo do noso país en todas estas décadas é innegábel", manifestou, poñendo como exemplo que a principios do século XX galegos e galegas eramos 10,6% da poboación do estado mentres que actualmente somos 5,6%. Igual pasou coa densidade de poboación, acrecentou, que de ser a comezos do S. XX superior á media española hoxe en día fica por baixo. Dados que evidencian, apunta Louzao, como a emigración pasa factura. E a emigración, explicou, non xorde da nada. "Somos un país rico, próspero", polo que a emigración deriva, dixo, da situación de subordinación do país aos intereses de "oilgarquías españolas e da UE". Louzao apelou á necesidade da soberanía, "de gobernar nós a nosa Terra", para ir poñendo fin á marcha ao estranxeiro da mocidade en procura de traballo. Campaña A finais do pasado mes de outubro representantes de Vía Galega presentaron no Rexistro da Xunta unha moción dirixida aos concellos na que instan a defender e pular por políticas "que atallen a emigración". A iniciativa enmárcase na campaña "Non emigramos, expúlsannos. Soberanía para crear traballo digno", que Vía Galega presentou recentemente na capital galega. A moción xa foi debatida e aprobada en concellos como o de Ferrol e Narón. A Plataforma vai convocar o vindeiro 14 de decembro concentracións diante de concellos galegos para protestar contra a sangría migratoria. Un total de 30.249 persoas marcharon da Galiza en 2017, último ano con rexistros. Máis de 80 cada día. Dese total, 18.380 galegos e galegas fixérono con destino a outro territorio do Estado español (1,95% menos que no ano anterior) e 11.869 ao estranxeiro (10,03% máis que en 2016). De por parte, a Galiza chegaron 36.932 persoas, aumentando en 21% as que chegan do estranxeiro e 6,14% as doutras autonomías. Nas táboas do IGE hai un desglose dos e dos destinos das emigrantes galegos a outros territorios do Estado. Madrid e Catalunya continúan sendo os principais focos de recepción. Case 5.500 galegos e galegas deixaron en 2017 o país tendo a capital do Estado como destino, mentres que 2.468 foron a Catalunya. Canarias (2.215 galegos e galegas emigradas) e Andalucía (1.712) configuran os catro principais destinos españois da emigración galega.
NOS_7194
A nostalxia, e máis no mundo convulso no que vivimos, está máis de moda uqe nunca. No planeta cóntanse por millóns as persoas que pensan que o cine, a música ou os videoxogos da súa época eran mellores que as da actual. No caso do piloto Xesús Ferreiro (Melide, 1968) esa morriña maniféstase nos vehículos de competición.
Está vostede especializado nos rallyes de vehículos históricos. Por que correr neles e non nos coches contemporáneos? Cando empecei a ir ver os rallyes eran os coches que había, eran os anos 80, e quedáronme eses recordos desas primeiras veces, cólleslle cariño. Tamén me gustan moito os coches de propulsión traseira, e nos históricos abondan máis que hoxe en día. Foi máis que nada por iso, polo tipo de condución e por morriña deses coches que vin cando era neno. Unha das características dos rallyes históricos é a espectacularidade, en parte dada por esa tracción traseira que destacaba e que emprega o seu Ford Escort RS 2000 MKII. Por que escolleu ese modelo de coche? Aquí non era moi coñecido, pero era un dos vehículos de rallyes por excelencia. O Ford Escort foi un dos mellores dos 70, chegando a ser campión do mundo nas mans de Ari Vatanen no en 1981. E existe tamén outra razón, pois en Inglaterra e Irlanda se refixo este coche, e calquera peza que precise podo conseguila nova. Iso no mundo dos clásicos é moi importante, porque sabes que vas ter todo o material que che faga falta, cousa que non pasa con todos os coches. De feito, estou por dicir que o meu Escort é mellor en calidades que o de Vatanen cando gañou o Campionato do Mundo. Mais, nostalxia a un lado, cando se deu conta de que lle gustaba o mundo do motor e de que quería ser piloto? Nacín con esa paixón. A min o motor, todo o que tivese rodas, encantoume desde neno. Con sete ou oito anos xa construía os meus cochiños con pezas que me regalaban nos talleres, había aí unha clara sensibilidade cara todo iso. E xa máis maior, tan pronto como tiven posibilidade, saía cos amigos sen carné a facer caralladas, a cousa daquela non era como hoxe. Fixo carreira gañando títulos tanto na Galiza como a nivel Estatal, pero o seu soño está en Europa, como o ve? Bastante negro (ri). É moi complicado, intenteino varios anos e nada. Hai que dispoñer dun bo orzamento para poder ir practicamente a todas as carreiras. O problema son os cartos... Si. Amólame moito porque agora mesmo, por piloto e vehículo, sei que habería opcións de loitar polo título. Sei que sería factible, pero por non chegar a xuntar o orzamento necesario non se pode facer. E estes anos van pasar, porque non perdoan, e posibelmente se algún día consigo os cartos pode que xa non estea na primeira liña, pero así é a vida Un recente estudo indicaba que os patrocinios deportivos baixaron en máis de 50% desde a irrupción da pandemia... A Covid tamén afectou. E institucións que antes daban cartos por un proxecto internacional, cousas que tiñan cabida, nas que había opcións de que che concedesen algo, agora mesmo non. Ademais, o motor tampouco é unha cousa que tire moito a nivel institucións, tivo mellores épocas, agora non está nelas. Semella que o motor e os rallyes están como pasados de moda, por dicilo dalgún modo. É unha percepción errónea miña? Si, duns anos aquí, tamén polos medios de comunicación, que non se involucran o que se merece o deporte. Sen ir máis lonxe, faime graza mirar a TVG e ver partidos de fútbol enteiros de Terceira Rexional que no campo están de público só os pais e as familias dos xogadores mentres que a rallyes que moven 15.000 persoas lle dedican tres minutos e, se falan máis, é porque pasou unha desgraza. E ese feito de non darlle ao motor a repercusión que merece inflúe despois nos patrocinios.
PRAZA_20993
O presidente da Xunta dixo ver "receptividade" ás súas peticións tras a xuntanza na Moncloa, pero o presidente do Goberno central insiste en derrotar o virus "coas ferramentas legais avaladas polo estado de alarma".
Á morea de demandas que levaba apuntadas para trasladarlle ao presidente do Goberno central, Feijóo engadiu unha máis, tal e como asegurou na rolda de prensa posterior ao encontro con Pedro Sánchez na Moncloa. O presidente da Xunta reclamoulle que permita ás comunidades autónomas aplicar confinamentos domiciliarios a nivel local, naqueles municipios onde a incidencia do virus teña unha incidencia moi elevada, unha medida que Galicia non pode adoptar ao non estar contemplada no decreto que regula o estado de alarma, ao igual que o adianto do toque de recoller ás 20 horas, outra das solicitudes que este mércores levou a Madrid. Feijóo pediu a Sánchez que permita ás autonomías aplicar confinamentos domiciliarios naqueles municipios onde a incidencia do virus sexa moi elevadaNunha nota de prensa feita pública ao pouco da xuntanza de case dúas horas, Moncloa lembrou que Sánchez repasou con Feijóo as medidas adoptadas polo Goberno contra os efectos da COVID, destacando "a ferramenta constitucional do estado de alarma como o instrumento máis sólido para facer fronte a esta calamidade". Feijóo dixo ver "receptividade" ás súas demandas, pero Sánchez insiste en derrotar o virus "coas ferramentas legais avaladas polo estado de alarma""A miña sensación é que polo menos vaino pensar", dixo Feijóo á saída da reunión, tras asegurar ter visto "receptividade" por parte de Sánchez ás súas propostas. A resposta do Goberno central, no entanto, parece deixar claro que, no que ten que ver con esas dúas medidas para tornar a pandemia, as cousas seguirán como están. De feito, segundo Moncloa, Sánchez instou a Feijóo a "seguir avanzando no camiño da cogobernanza" para "volver derrotar o virus coas ferramentas legais avaladas polo estado de alarma e, sobre todo, cunha estratexia compartida de vacinación". Non foron estas as únicas reclamacións de Feijóo, que --tal e como adiantara o mércores na impetuosa intervención contra Sánchez no Parlamento galego-- pediu ao Executivo central un criterio unánime para a obrigatoriedade do uso da máscara FFP2 en determinados lugares, unha lei de pandemias ou o aumento da taxa de reposición para permitir á Xunta a convocatoria doutras 3.500 prazas en sanidade. Feijóo tamén reclamou a Feijóo "transparencia" na repartición dos fondos europeos, trasladándolle cinco proxectos que considera fundamentais dos elixidos pola Xunta para optar a financiamento da UE, ademais de advertirlle de que, segundo dixo, en Galicia "hai 16.500 empregos afectados polo novo modelo enerxético". Así, pediu solucións para o mantemento de Ence na ría de Pontevedra, para a fin das centrais térmicas nas Pontes e en Meirama ou para unha venda axiña da planta de Alcoa na Mariña, ademais de demandar a competencia en materia de Costas. Feijóo insistiu ademais na rebaixa das peaxes da AP-9 ou no impulso de proxectos como o acceso ao porto exterior da Coruña ou a saída sur de Vigo.
NOS_45808
"Solidarizámonos cos pobos de Ucraína, Donetsk e Luhansk e denunciamos a morte, o sufrimento e a destrución que está a provocar o imperialismo de Putin con esta guerra", apunta a plataforma.
A plataforma Galiza pola Paz constituíuse esta sexta feira en Pontevedra con presenza de representantes de BNG, CIG, Fruga, Galiza Nova, Anova e Mar de Lumes, co obxectivo de exixir a fin da guerra en Ucraína e a retirada das tropas rusas. O primeiro acto público será a concentración do vindeiro domingo, día 20, en Pontevedra, contra as 12 horas na praza da Peregrina. "Denunciamos a morte, o sufrimento e a destrución que está a provocar o imperialismo de Putin con esta guerra", apuntan, nun comunicado. A Galiza berra o 'non á guerra': "Parece que non aprendemos nada do século XX" Aliás, a entidade solidarízase cos pobos de Ucraína, Donetsk e Luhansk, "que están a pagar o prezo desta guerra en forma de vidas humanas e millóns de persoas exiliadas e refuxiadas". Ante o escenario actual, exixen "a volta de todas as partes ás vías diplomáticas como único modo de rematar con este masacre". "Todas as guerras rematan cun acordo diplomático e na Ucraína, en Donetsk e en Luhansk non se pode agardar máis para voltar aos acordos de Minsk no marco da ONU e da OSCE", defenden. "Nun contexto de fonda crise económica, vemos con moita preocupación as consecuencias económicas que esta guerra está tendo no pobo galego co empobrecemento de amplas capas sociais", engaden. A plataforma 'Galiza pola Paz' convoca mobilizacións nas sete cidades o domingo 20 de marzo Por último, desde Galiza pola Paz lembran que "esta non é a única guerra provocada polo imperialismo no mundo actual", polo que trasladan a súa solidariedade a "todos os pobos que as padecen". Mobilizacións deste domingo (todas ás 12 horas) A Coruña: Subdelegación do Goberno Compostela: Praza do Toural Ferrol: Praza de Armas Lugo: Praza Maior Ourense: Subdelegación do Goberno Pontevedra: Praza da Peregrina Vigo: Farola de Urzáiz
NOS_36360
Arranca o proceso asembleario de En Marea. O vindeiro sábado 17 de decembro na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, vaise realizar a primeira parte da asemblea da organización, que terá continuidade na terceira semana do mes de xaneiro coa elección do seu Consello, máximo órgano de dirección da forza política.
Segundo fontes consultadas por Sermos Galiza, as razóns que explicarían a realización do proceso en dúas quendas -o Plenario do 17D e a escolla do Consello da Marea en xaneiro- están directamente ligadas ás diverxencias que se viven entre as forzas políticas que conforman o espazo político da confluencia e a conseguinte necesidade de gañar tempo para ver de achegar posturas entre elas. Porén, segundo estas mesmas fontes, a razón do calendario asembleario está vinculada fundamentalmente ao debate que enfronta a Podemos a nivel de Estado, xa que as conclusións e as decisións do mesmo serán determinantes para o rumbo que vai seguir En Marea, dado o carácter hexemónico da formación morada na organización. Os relatorios para o debate do plenario do 17 de decembro non deixan dúbida algunha da fenda aberta entre as diferentes partes de En Marea, situándose o núcleo do conflito no mecanismo de escolla da futura dirección, na medida que o procedemento vai determinar a súa composición e mesmo a posibilidade de que Luís Villares poida liderar organicamente, ou non, esta forza política. Así, unha das dúas propostas a debate, en concreto no que ten a ver co regulamento, pretende impedir que poidan concorrer á elección da dirección de En Marea as persoas que ostentan cargos parlamentares, fixando tamén unha incompatibilidade entre ser membro do Consello da Marea e facer parte da dirección dunha das forzas políticas que conforman a confluencia. A mesma proposta determina que os únicos membros do grupo parlamentario en Madrid ou en Compostela que formarían parte con voz e voto no Consello de En Marea serían os portavoces, en tanto mantivesen esta representación institucional. Xa que logo, no caso de aprobarse o sábado 17 esta proposta, Luís Villares non podería concorrer como candidato ás eleccións internas de En Marea. Un sector de En Marea tenciona aplicar a Luís Villares o réxime de incompatibilidades, de xeito que non se poda apresentar como candidato e ser votado directamente polas persoas inscritas Na parte do regulamento referido ao sistema de elección no que si hai acordo é naquela no que se opta pola proporcionalidade pura para a elección dos órganos de dirección, o que implica rexeitar o sistema de escolla polo procedemento de listas abertas, cuestión que até o momento fora cabalo de batalla da "nova política" como modelo da pureza democrática dun proceso. Sexa cal for o regulamento aprobado, Luís Villares terá moitas dificultades para ser elixido como máximo responsábel orgánico de En Marea. A oposición contra o de Lugo, conformada arredor da militancia de Podemos, da Marea Atlántica, de Esquerda Unida, e tamén de sectores minoritario de Anova, aumenta a medida que se achega o proceso de elección da dirección. Así, o pasado 11 de decembro, Xulio Ferreiro, nunha entrevista en Radio Coruña da Cadea Ser, afirmaba que "establecer un liderado clásico e unilateral para En Marea pode supoñer perder a xente que se mobilizou despois 15 M", deixando clara a súa negativa a que a portavocía parlamentaria e a portavocía orgánica de En Marea recaian nunha mesma persoa. Esta posición do Alcalde da Coruña, foi partillada e feita súa nas redes sociais por destacados dirixentes da organización como Antón Gómez Reino "Toné", dirixente de Podemos e deputado no Congreso, Rubén Pérez Correa, secretario de organización de Esquerda Unida e portavoz municipal da Marea de Vigo, ou a Coordinadora de Esquerda Unida en Galiza Iolanda Díaz. A estas alturas fica claro que o papel que se arrogou Villares publicamente, como persoa de consenso entre as partes para posibilitar unha lista de consenso entre as diferentes familias, nunca deixou de ser unha ilusión. O documento político, sometido ao debate e á votación do plenario do 17 de decembro, tampouco recolle o eixo central da proposta de Villares. O candidato da converxencia á presidencia da Xunta de Galiza anunciou e explicou este proceso asemblear como a reformulación e a refundación do espazo de En Marea, concretado na creación dunha organización política nova en base a disolución das organizacións existentes, porén nada disto aparece nos textos a debate. Así e todo, non debe estrañarnos este feito, posto que como xa indicaramos en anteriores artigos, a oposición a esta proposta era maioritaria en Podemos e Esquerda Unida, téndose sumado a esta liña nos últimos tempos tanto Cerna, que con anterioridade tiña anunciado que non tiña vocación de permanencia, como Anova. A ausencia de discrepancias e posicións diverxentes no relatorio político evidencia que o debate ideolóxico ocupa un lugar secundario nesta asemblea, destacando o alto grao de coincidencia á hora de analizar o problema territorial do estado e a cuestión nacional galega, aspecto que só ocupa unhas poucas liñas no documento. A este respecto, En Marea asume no básico a visión de Podemos sobre o dereito a decidir. Anova debateu na súa conferencia nacional a súa disolución ou continuidade como organización As forzas políticas que conforman En Marea, desenvolven ao tempo, os seus propios procesos congresuais. Se ben a atención mediática esta centrada na asemblea estatal de Podemos, de cuxo capítulo galego nos temos ocupado, o sábado 10 de Decembro era Anova quen celebraba, coa presenza de arredor de 100 militantes, a súa conferencia nacional. A formación, aínda liderada por Xosé Manuel Beiras, debate a súa disolución ou continuidade como organización, sometida á dupla variábel que xorde da conformación dun novo liderado, unha vez que Beiras abandona a escena pública, e a constitución do espazo político que resulte do proceso de En Marea. A pluralidade de opinións ao respecto e a falta de claridade no panorama político levaron a esta organización a adiar para os próximos meses a decisión definitiva. Un debate semellante, esta a vivilo o Colectivo Cerna, organización que ten en Mario López Rico, Luís Eyre e Paula Verao as súas referencias publicas. Así as cousas, sectores consultados por Sermos Galiza, "lamentan a descomposición que está a vivir o espazo político no seu momento conformado arredor do Foro Galego, que leva sen reunirse desde antes das eleccións autonómicas, o que está a fortalecer aínda máis no mundo da Marea as posicións de Podemos e de Esquerda Unida".
PRAZA_20002
Ningunha autoridade competente lle vai recoñecer a Teresa Ferreiro o seu maxisterio de case 40 anos, sería recoñecer o propio fracaso do sistema, mais eu quero renderlle a miña humilde mullernaxe a esta activista por unha cultura educativa distinta, por unha Escola integrada no pobo.
Desde hoxe Teresa Ferreiro pode xubilarse. Tómome a liberdade de anuncialo publicamente por que sei que a súa coquetería non se vai ver afectada por esta revelación. Agardará que remate o curso polo sentido da responsabilidade que a caracteriza e por que é practicante diso que dicía José Luis Sampedro: "Aos alumnos hai que provocalos e querelos". Que pasará no ensino para que persoas con tan contrastado amor á profesión marchen á primeira oportunidade? Miúda e hiperactiva: canta, baila e fala sen parar. A súa risa inconfundible resoa coma unha solta de pombas e a súa aula imaxinámola efervescente; activa, dinámica e esperta. Mais, en ocasións, ponse seria, incluso solemne, e ate a voz lle sae moi pausada e suave para escoitar e reflexionar. Ela é a MESTRA que un día coma hoxe de hai uns cantos anos viu os amplos horizontes da Terra Chá en San Tomé. A Mestra de Trasmonte, a Mestra de Bugallido, a Mestra que organizaba campamentos, a que percorría as aldeas con aquel proxecto de Preescolar na Casa, A Mestra da Serra de Outes, a Mestra de Barouta, a Mestra rural, a Mestra activa e activista de Nova Escola Galega; espazo de reflexión e reivindicación educativa no que deixa a súa pegada de compañeira, a súa experiencia compartida e algunhas achegas publicadas. Sempre a MESTRA, durante 40 anos A MESTRA. Estudamos Maxisterio en escolas universitarias que acababan de abandonar aquel curioso nome de "NORMALES", con memoria demasiado recente do franquismo asasino que convertera en mártires a aqueles mestres e mestras da República, aqueles e aquelas que representaban a luz, para impoñer a cultura das tebras da que aínda queda o substrato. Algúns profesores recen chegados á docencia universitaria expoñían experiencias didácticas novidosas e mostraban, coma unha estrea de domingo de Ramos, a Cossío, Giner de los Rios, Piayet e Montesori ... E tamén nos chegaban as referencias de Makarenco, Freinetn, Neill e a súa escola de Summerhill e as pedagoxías liberadoras de Paulo Freire e Milani … que nos levaban a procurar libros recen aparecidos nas edicións en castelán. Até podía haber quen organizara unha visita á Cidade dos Rapaces - Benposta de Ourense; experiencia coñecida polo circo pero da que, aínda hoxe, non hai nada escrito que reflicta minimamente a realidade. Dalgunha maneira estabamos sendo actores da recuperación da memoria. Sufrimos, ela especialmente por ser A Mestra, a decepción, ás veces a impotencia, de ver como a armazón económica e ideolóxica que sustenta a vida consumista se ía apropiando dos discursos e as culturas da rebeldía para convertelas nun obxecto máis no escaparate do mercado. Mais a Mestra resistiu. Seguiu co seu maxisterio, soltando pombas e sementes en eidos diversos: nenos e nenas, nais e pais, e no propio colectivo de mestras e mestres; proclives a reproducir os discursos oficiais que desvían, sempre, o foco do problema. Tere, coma todas as persoas que comprenden o proceso educativo, moitas delas compañeiras súas na escola ou nos grupos de traballo e reflexión nos que participa, saben que no maxisterio hai que ter a paciencia da labranza, observar e atender o proceso sen pensar na colleita. Saben que a Educación non reparte responsabilidades entre mestras ou mestres e pais ou nais. Ambas as partes, coma o goberno e a sociedade en xeral, teñen a responsabilidade toda. A cooperación e a asunción da responsabilidade colectiva é fundamental. A Educación é unha responsabilidade social e ten que formar parte da cultura. Comprometida e centrada na práctica cotiá, procurou sempre os recursos na reflexión e na análise, á marxe dos debates e discursos falsos e estúpidos da mediática, enmarcados sempre no que agora se denomina "a estratexia da posverdade". Unha especie de exaltación da ignorancia que consiste en presentar os síntomas como o problema e unha interpretación da realidade como coñecemento. Ela é A Mestra, unha rebelde na era do discurso baleiro, que se preocupa polo desenvolvemento de cada alumno ou alumna, polos problemas emocionais que poidan impedilo ou dificultalo, polos aspectos máis humanos e as relacións interpersoais que poden favorecer ou interferir o desenvolvemento integral e a construción da conciencia crítica. Ningunha autoridade competente lle vai recoñecer a Teresa Ferreiro o seu maxisterio de case 40 anos, sería recoñecer o propio fracaso do sistema, mais eu quero renderlle a miña humilde mullernaxe a esta activista por unha cultura educativa distinta, por unha Escola integrada no pobo. Tere, e moitas persoas coma ela, foron axentes fundamentais na loita pola normalización cultural e lingüística de Galiza. Unha sociedade sa, tería que recoñecer e render homenaxe ás persoas que representan un exemplo coma o de Teresa Ferreiro. Eu declaro a miña admiración, o profundo recoñecemento e gratitude a ela e a todas as mestras e mestres coma ela.
NOS_18346
Á entrada do Museo das Mariñas de Betanzos este sábado 14 de abril, ás doce da mañá, a asociación cultural Eira Vella renden homenaxe ás vítimas betanceiras do fascismo.
Nese lugar hai unha placa que recolle os nomes dos asasinados na vila entre 1936 e 1959. "Betanzos honra os seus mártires caídos en defensa da República", di, en castelán, o texto da mesma. É unha réplica da pendurada pola emigración no entro Betanzos de Bos Aires. A asociación Eira Vella celebra esta homenaxe desde o 14 de abril, aniversario da proclamación da II República, desde o ano 2007.
NOS_10297
Entre o 2012 e 2013, a Deputación da Coruña subsidiou con 3.299 euros á peña taurina. O BNG e Galiza Mellor sen Touradas esixen que non se lle concedan máis axudas duns cartos que se lle quitan ás asociacións culturais.
Para "organizar cursos de informática". Esa foi a solicitude que a Peña Taurina presentou diante da Deputación da Coruña pola que conseguiu 3.299 euros entre 2012 e 2013 na partida que a entidade provincial destina a asociacións culturais. O BNG a través da súa deputada provincial, Silvia Seixas dirixirase ao presidente e á vicepresidencia da Deputación co fin de que non se repita a concesión de subvencións. A entidade taurina estaba a recibir axudas da mesma partida coa que se apoian as actividades das asociacións culturais o que, para a deputada, "non ten sentido ningún, pois as touradas, un maltrato aos animais evidente, nada teñen a ver coa cultura". A Peña Taurina xustificou a última petición de subvención pública co concepto de realización de "cursos de informática", polo que recibiu unha maior cantidade de cartos que moitas entidades culturais que están a realizar actividades na provincia. O responsábel de Galiza Mellor sen Touradas, Rubén Pérez, apoiou a iniciativa e denunciou tamén que se estea a subsidiar á Peña Taurina como unha asociación cultural, para que faga cursos de informática, sinalou con ironía.
NOS_57590
ERC condicionaba o seu respaldo ao decreto lei que viabilizará a exhumación dos restos mortais de Franco á modificación da Lei da Memoria Histórica para, entre outros, anular o xuízo que condenou a morte ao president da Generalitat Lluis Companys. Esta é tamén unha vella reivindicación do movimento galego pola recuperación da memoria e a reparación das vítimas.
Os xuízos políticos da ditadura serán anulados de prosperar unha ambiciosa reforma da Lei da Memoria Histórica que o Goberno Sánchez está disposto a pactar no Congreso dos Deputados, avanza esta quinta feira o diario El País. O compromiso fai parte das conversas da Moncloa cos seus socios soberanistas cataláns —con ERC, mais tamén co PDeCAT— dirixidas a viabilizar no Congreso a aprobación do Decreto Lei en virtude do cal se exhumarían os restos mortais de Franco, actualmente depositados no mausoleo do Val dos Caídos. A actual Lei de Memoria Histórica, promulgada durante os gobernos Zapatero, consideraba ilexítimos os xuízos politicos da ditadura —en virtude do cal foron condenados a morte desde Alexandre Bóveda até Salvador Puig Antich—, mais non os anulaba por considerar que podería producir unha certa inseguranza xurídica dado que, de acordo co que opinan numerosos xuristas, aqueles actos xudiciais respondían á legalidade vixente no seu momento. Coa reforma da Lei da Memoria Histórica —para a cal o PSOE precisa reeditar a maioría absoluta que materalizou a censura a Raxoi— o Estado español emendaríase a si propio e anularía, por tanto, xuízos tidos legais polas autoridades políticas e xudiciais durante a ditadura.
NOS_12562
Xosé Manuel Beiras di que a Feixoo "fixéronlle un lavado de moderación, pero de moderado non ten nada"
O ex dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras ve "perfectamente verosímil" que nas próximas eleccións haxa un "desaloxo" do PP na Xunta, pero advirte de que o importante é "que" se é capaz de facer. "Sempre manteño a visión de que non hai case nada absolutamente imposíbel; que sexa posíbel depende de variábeis", manifestou Beiras nunha entrevista en RNE, na que expresou que lle parece "un horizonte perfectamente verosímil que nas próximas eleccións ao Parlamento se desaloxe a maioría (ao PP) e do Goberno", mais pregúntase "unha vez que iso ocorrese, que serían capaces de facer?". Beiras insistiu en que a chave é marcar "un punto e á parte" e provocar "unha ruptura do réxime" que comparou con "entrar nunha selva co machete". Durante a entrevista, Beiras lamentou que as candidaturas de confluencia desde a coalición de 2012 en AGE fracasasen pola súa culpa. "Non estivemos á altura", recoñeceu, tras lamentar, tamén, que o "BNG non aceptase" entón unha coalición que primase as demandas das clases traballadores fronte á cuestión Galicia-Estado. "Sempre digo que nisto non hai culpábeis, hai responsábeis", sinalou, para a continuación afirmar que a realidade é que se perdeu o voto de confianza outorgado por 400.000 galegos e galegas en decembro de 2015, unha situación inédita na esquerda na Galiza, ao que engadiu que "os aliados estatais non cumpriron os acordos do grupo confederal". Beiras acusa cadros políticos de Unidas Podemos de seren "nova casta" Sobre o proceso de escoita que vai iniciar a vicepresidenta primeira Yolanda Díaz, Beiras manifestou que "oxalá articule" unha alternativa. Dixo, con todo, que con el "non se portou ben", citando expresamente as "lealdades co proxecto", pero "iso é unha cousa" que non quita que o que fixo como ministra de Traballo, "dentro do que se podía facer, é excelente". A marcha de Feixoo Sobre a marcha de Feixoo, Beiras manifestou que "non vale a pena moito falar dese individuo" e reprochou que volveu á Galiza para "darlle a volta polo forro ás institucións" e para ser o "esquirol" do "espolio ao país, enerxético, financeiro, das caixas...". "E por tanto, non estou disposto a falar moito del, porque non o merece", agregou. Feixoo presume de marchar invicto a Madrid Lembrou, iso si, que no último debate do Estado da Autonomía que mantiveron ambos lle dixo, "case literalmente" ─rememorou─, que "como presidente só merecía (o seu) desprezo e como persoa, conmiseración". A isto Beiras engadiu que a Feixoo "fixéronlle un lavado de moderación, pero de moderado non ten nada". "As mata calando, unha mosca morta, unha abella morta pero que pica", sinalou respecto das coalicións PP-Vox. O histórico nacionalista tamén afeou ao xa ex presidente da Xunta que cando estaba na Consellería de Sanidade con Romay Beccaría "conchababa con Marcial Dorado". "Un tipo así como pode ser presidente da Xunta, tiña que estar inhabilitado", valorou.
NOS_821
O Premio Trasalba, instituído pola Fundación Otero Pedrayo, leva recoñecendo en trinta edicións longas traxectorias de compromiso coa cultura e o país. Na XXXI dá un xiro no seu perfil e premia a Cristina Pato, nacida en 1980, pola súa proxección internacional.
Antía Cal, Ramón Lourenzo, Xosé Ramón Barreiro e Xosé Manuel Beiras foron os últimos homenaxeados dunha listaxe que comeza en 1983 con Xaquín Lorenzo, Isidro Parga Pondal, Antón Fraguas, Valentín Paz Andrade, Ramón Martínez López, Francisco Fernández del Riego, Miguel Anxo Araúxo Iglesias, xosé Filgueira Valverde, Lois Tobío Fernández, Xaime Illa Couto ou Isaac Díaz Pardo. Cristina Pato é tamén das poucas mulleres recoñecidas co galardón da casa de Trasalba. Trátase da cuarta despois de Antía Cal, Olga Gallego e Pura Vázquez. A Xunta de Goberno da Fundación, salienta ademais dos valores da música "a súa proxección internacional, a súa condición de representante dunha nova xeración de artistas comprometidos coa difusión da nosa cultura polo mundo e a calidade obxectiva da súa actividade artística e profesional". Quixeron, con este nomeamento, "incorporar novos rostros, novas linguaxes, novas maneiras de facer, na liña da universalización da nosa cultura, dentro e fóra de nós, no espírito de "universalidade" que caracterizou aos homes da xeración Nós e, máis concretamente, á mentalidade aberta de Otero Pedrayo". Definen á música como unha "das nosas primeiras embaixadoras culturais" e destacan a súa posición acadada nos Estados Unidos onde está instalada. Na Galiza, a artista desenvolve o proxecto Galician Connection na Cidade da Cultura. O arquiveiro e ensaísta Pablo Sánchez, tamen representante dunha nova xeración, lerá a laudatio da música na Festa Literaria de Trasalba na Casa Grande de Cimadevila o próximo 30 de xuño cando se faga a entrega do premio. Como aconteceu no caso de Milladoiro -únicos músicos premiados até agora- co libro de lembranzas do premio incorporarase un CD con algunhas composicións da galardoada.
NOS_8050
A eurodeputada Ana Miranda e o portavoz nacionalista no Concello de Compostela, Rubén Cela, dos primeiro municipios do país onde se pediu o cobro do Imposto de Bens Inmobles á igrexa; defenden a fin dos privilexios fiscais á institución católica
A eurodeputada Ana Miranda presentará unha iniciativa nas institucións da UE para que Bruxelas dictamine se a exención do pago do IBI por parte da igrexa é compatíbel coa normativa europea. Unha cuestión que non é menor, pois a iniciativa dun eurodeputado italiano levou a que Italia tivese , a requerimento da UE, que finiquitar a exención do IFI (o IBI no país transalpino). Un escenario que o BNG confía que tamén se produza co Estado español. "Por que un comercio paga IBI e a igrexa non por un local seu que sexa adicado a hostalaría?" sinala Ana Miranda Miranda presentou estas iniciativas en Santiago de Compostela, cidade onde o BNG solicitou no seu omento que o Concello cobrase o IBI á igrexa, abrindo así un camiño seguido logo por outras organizacións en diferentes cidades e vilas do Estado. A eurodeputada explicou que a petición ante Bruxelas resúmese no concepto de que aa a igrexa non debe ter "privilexios fiscais", e menos nunha situación de crise na que a cidadanía está a soportar recortes e subas de impostos como o IBI. Ana Miranda avoga, alén diso, porque a Unión Europea promova un marco comunitario que regule de forma clara as normas de financiamento dos cultos relixiosos no ámbito comunitario. "Non é unha teima anticlerical, é unha cuestión de xustiza", explicou Rubén Cela Uns 200.000 euros Rubén Cela, pola súa parte, sinalou que a proposta do BNG refírese aos locais e bens da igrexa de uso privado. "Non pedimos que pague o IBI polos lugares de culto, como a Catedral, nin por aqueles de uso social, caso da cociña económica, nin polos bens de función educativa", manifestou o portavoz municipal do BNG na capital da Galiza. Os nacionalistas calculan que co cobro do Imposto de Bens Inmobles á igrexa en Compostela, as arcas municipais poderían recadar uns 200.000 euros ao ano "que poderían ir integramente a fins sociais". Nesta liña, Cela lembrou que o plan de axuste do Concello fixou para os vindeiros anos unha importante suba no IBI, polo que "non é de xustiza" que a igrexa estea exenta de pagar ese iposto. "Non é unha teima anticlerical, é unha cuestión de xustiza".
NOS_48277
Dereitos lingüísticos.
Neste mes de xaneiro van ter lugar na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) os exames do primeiro cuadrimestre do curso 2021-2022, e van realizarse tamén nos diferentes centros espallados por toda a Galiza. As alumnas e os alumnos que acudan a realizar as probas só poderán ter acceso ao exame en español e, de realizar igualmente o exame en galego deberán afrontar diversos trámites posteriores para lograr a súa adecuada corrección. Diante desta situación, o BNG, a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno español garanta o dereito das e dos estudantes a poder facer os exames desta universidade pública das distintas materias de graos e mestrados en galego, cando menos naqueles que teñan lugar nos centros asociados sitos na Galiza. Aliás, Rego reclama que a páxina web e o resto de materiais didácticos desta intitución poidan estar accesíbeis tamén en galego, e non só en español e inglés, como na actualidade. O BNG urxe aplicar a Lei de Normalización Lingüística "A Lei de Normalización Lingüística non se está aplicando, toda alumna ou alumno da UNED na Galiza debera ter garantido o seu dereito para poder realizar os seus exames en galego" explicou o deputado do BNG. Porén, ese dereito non se recoñece. "Os exames están dispoñíbeis, así como todo o material didáctico previo, unicamente en español, e nas distintas normativas que regulan o desenvolvemento dos exames nin tan sequera se menciona a posibilidade de realizalos en galego", apuntou Rego. Por este motivo, en opinión do nacionalista, "o Goberno español ten que tomar todas as medidas necesarias para que tamén os materiais didácticos e os contidos das materias estean dispoñíbeis nas diferentes linguas".
NOS_11865
Putin considera o acontecido un "golpe nas costas" dos "cómplices do terrorismo". VÍDEO NO INTERIOR.
Esta terza feira cazas turcos derrubaron un avión ruso (Su-24) despregado na operación militar da Siria que se dispuña a voltar á súa base militar. Desde Ankara aseguran que o ataque se produciu após invadir o seu espazo aéreo porén as imaxes recollidas no lugar amosan que se atopana a 1 quilómetro da fronteira turca. "En troca de estabelecer contacto con nós de maneira inmediata, Turquía dirixiuse aos seus socios da NATO" Após coñecer os dados do acontecido o presidente ruso, Vladimir Putin, asegurou que "o ataque ao Su-24 traerá tráxicas consecuencias para as relacións entre Turquía e Rusia". "É un suceso que excede o marco da loita normal contra o terrorismo", apuntou. "En troca de estabelecer contacto con nós de maneira inmediata, como debe facerse, polo que sabemos Turquía dirixiuse aos seus socios da NATO para discutir o asunto, coma se nós tivesemos derrubado o seu avión, e non eles o noso", afirmou en declaracións aos medios recollidas por RT, no marco do seu encontro co rei Abdalá II en Xordania. "A perda de hoxe é como se os cómplices do terrorismo nos tivesen dado unha puñada nas costas". Un feito que, insistiu "non pode ser calificado doutra maneira". "Queren pór a NATO ao servizo do Estado Islámico?", preguntouse.
NOS_12898
É habitual que o nome da Xunta apareza vencellado a medios de comunicación españolistas que deturpan os topónimos galegos, a pesar de contravir o disposto no artigo 10 da Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística en materia de toponimia.
O coñecido opinador de dereitas Federico Jiménez Losantos levará a cabo o seu programa 'É a Mañá de Federico' o víndeiro 18 de febreiro en Sanxenxo, que nos seus cartaces promocionais escribe de xeito deturpado como "Sangenjo". A pesar desta deturpación do topónimo, a Xunta da Galiza aparece como patrocinador principal do evento, a través da figura do Xacobeo. Non é nin moito menos a primeira vez que o nome do Goberno galego aparece vencellado con medios de comunicación e institucións que empregan de xeito voluntario formas deturpadas da toponimia galega. O Executivo de Alberto Núñez Feixoo non só prioriza a publicidade institucional en medios de comunicación en castelán, en detrimento dos que empregan o galego como lingua vehicular, senón que inviste diñeiro público naqueles que deturpan os topónimos de maneira habitual. É o caso de xornais estatais españolistas como o ABC, no que é habitual ver publicidade da Xunta, pagada a través de axencias deste sector, pegadas a noticias de ámbito galego nas que se empregan topónimos deturpados como o propio Sangenjo, La Coruña, Orense... Incumprimento legal Esta continuada actuación da Xunta contravén o artigo 10 da Lei 3/1983, de 15 de xuño, que regula que as publicidades incluídas nas publicacións deben cumprir a normativa vixente de normalización lingüísitica en materia de toponimia. A pesar disto, o Goberno galego segue patrocinar e formar parte deste tipo de eventos. Outro exemplo paradigmático e o foro económico que decorre na illa da Toxa, no concello do Grove, e que é nomeado polos organizadores como Foro "La Toja". Durante todas as edicións, numerosos colectivos sociais, o Bloque Nacionalista Galego (BNG), a Confederación Intersindical Galega (CIG) e A Mesa pola Normalización Lingüística reprobaron a deturpación do nome da illa e a participación no evento do propio presidente da Xunta. Na edición do ano pasado, unha protesta pacífica dos colectivos fronte ao hotel no que decorre o Foro acabou disolta por membros da Garda Civil, que actuaron de xeito violento e bateron sobre os participantes na concentración.
NOS_53474
Até o momento hai xa 34 datas confirmadas para a xira das Tanxugueiras, que entre outros lugares este ano visitarán o Festival de Ortigueira.
As Tanxugueiras inician este sábado na Coruña a súa nova xira, para a que xa están confirmadas 34 datas, segundo vén de informar o grupo. Trátase de 'Midas', que incluirá unha serie de directos cos que percorrerán a península Ibérica e as Illas Baleares para dar a coñecer o seu terceiro traballo, que verá a luz este ano. A respecto do mesmo, Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro destacan a inclusión de "potencia, tradición e modernidade". Aliás, salientan "a percusión, os ritmos urbanos, o baile tradicional e a voz, como especial protagonista", nun espectáculo "definido e contundente". Francia envía "as tanxugueiras bretoas" a Eurovisión Todas as datas da xira 'Midas' das Tanxugueiras A Sala Pelícano da Coruña será a primeira parada desta xira, segundo informa a organización. Tras esta cidade visitarán o Auditorio Mar de Vigo, o 1 de abril, unha cita para a que tampouco quedan entradas dispoñíbeis. Logo seguirá a presentación en Biscaia, Barcelona, Navarra, Xirona ou Valladolid, entre outras cidades. Cartaz completo da xira 'Midas'. Na Galiza, alén da Coruña e Vigo, visitarán Narón (Pazo da Cultura), Padrón (Pascua), Melide (Foliada), Lalín (Cocidos no Camiño), Ourense (OurenSound Fest), Lugo (Arde Lucus), Ortigueira (Festival do mundo celta), Cambados (Albariño), Catoira (Romaría Viquinga), Bueu (SonRías Baixas), Vilalba (festas patronais), Vilaxoán (Revenidas) e Vilaboa (Canteira Fest). Cómpre lembrar, por outra parte, que a comezos deste ano Tanxugueiras presentou o videoclip de 'Averno', un tema musical que será parte do seu próximo disco e que conta coa participación do rapeiro Rayden, que tamén concorreu ao Festival de Benidorm. Tanxugueiras estrea 'Averno', "unha declaración de intencións a respecto dun sentimento común: a rabia"
NOS_45493
Do 5 ao 8 de marzo Abu Dabhi acollerá o A Copa do Mundo de Fútbol Gaélico, competición na que estarán as seleccións galegas masculina e feminina. "É un logro impresionante", recoñece o representante para a Península Ibérica da GAA.
Entre o 5 e o 8 de marzo as seleccións galegas masculina e feminina estarán en Abu Dabhi (Emiratos Árabes) para competir con pleno recoñecemento no Mundial de Fúbol Gaélico, con Arxentina, Suráfrica e Golfo Pérsico, Italia, Francia ou a India, entre outros, como adversarios no seu grupo. Doce serán os xogadores e outras tantas as xogadoras que viaxarán até EAU para representar a Galiza e amosar a calidade e paixón coa que este deporte irlandés arraigou en Galiza. Hai apenas cinco anos non existía no noso país. Hoxe en día hai liga, temos selección propia e abrollan novos clubes ao longo e ancho do territorio. Algo que, como recoñece Marcos Gañete, o representante para Península Ibérica da GAA (a federación irlandesa de deportes tradicionais) abraia fóra das nosas fronteiras. Marcos Gañete sinala que a participación de Galiza no Mundial "é a nivel deste deporte un paso moi importante, de gran calado. É incríbel, abraia ver o que o fútbol gaélico avanzou nestes dous anos, desde aquela primeira competición da selección galega. E tamén é importante polo que representa para o país, pois ten unha lectura moi positiva: imos competir como nós propios, como galegos". Na procura de financiación para unha cita de calado Agora mesmo, e de cara a esa cita, este estradense recoñece que "temos traballo duplo. No deportivo, implicándonos no máximo de preparación pois vai ser unha competición exixente. Van ir 12 xogadores e 12 xogadoras. Mais tamén estamos a centrarnos no, por decilo así, extra-deportivo, na procura de financiamento. Temos un proxecto para presentar en diferentes entidades, institucións... procuramos publicidade, impulsaremos unha campaña de crowfunding. Tamén queremos facer sorteos, editar unha revista sobre a selección galega... O que temos claro é que queremos estar alí, en Abu Dabhi. e que os cartos non poden ser un impedimento para non ir." No semanario nº128 de Sermos Galiza publicamos unha entrevista completa con Marcos Gañete.
PRAZA_2999
As intervencións dos voceiros e voceiras das distintas formación amosaron a realidade dunha cámara moi polarizada, con furibundas críticas por parte dos grupos de dereita e o compromiso das forzas de esquerda de apoiar un goberno progresista e un programa de cambio
As intervencións dos voceiros e voceiras dos distintos grupos parlamentarios amosaron a realidade dunha cámara moi polarizada, con furibundas críticas a Pedro Sánchez e ao programa de goberno acordado entre PSOE e Unidas Podemos por parte dos grupos de dereita como PP, VOX e Ciudadanos. E, pola outra banda, un firme apoio ao candidato socialista por parte dos voceiros dos grupos integrados en Unidas Podemos.As intervencións de Casado e Abascal estiveron inzadas de insultos a Sánchez e de críticas furibundas ao acordo entre PSOE e Unidas PodemosA quenda de discursos foi aberta por Pablo Casado (PP) que endureceu o seu ton, despois de varios meses nos que tentara marcar un perfil propio ante VOX. Este sábado, en cambio, recorreu ao insulto contra Pedro Sánchez para desacreditar o acordo de Goberno de PSOE e Unidas Podemos, chegando a cualificar o líder socialista como "sociópata" ou "presidente 'fake'". Casado afirmou ademais que o Executivo progresista "será o seu epitafio político". "Non lle sairá gratis. Perdeu a dignidade de liderar un partido constitucionalista e a decencia de non mentir", engadiu. Dende o estrado, Casado comprometeuse a apoiar o Goberno de Miguel Ángel Revilla en Cantabria, se o PRC racha o seu pacto co PSOE.Os insultos continuaron na intervención de Santiago Abascal (VOX), que acusou a Sánchez de ser un "fraude", un "mentireiro" e un "estafador", chegando a culpar o PSOE de ser responsable da comisión de agresións sexuais por non estar a favor da prisión permanente revisable ou de ser "os responsables da traxedia no Mediterráneo". Ademais de incorrer en varios datos falsos durante a súa intervención, o líder da formación de ultradereita dirixiuse nunha ocasión ao deputado de Teruel Existe, recriminándolle o seu voto positivo á investidura. Abascal referiuse tamén ao traslado dos restos de Francisco Franco, acusando ao PSOE de "impoñer unha historia maniquea", reabrindo "as feridas que o pobo español ya cicatrizara".Ana Oramas anunciou que votará en contra da investidura, incumprindo o decidido por Coalición CanariaUnha das novas que deixou a xornada foi o sorprendente anuncio realizado pola deputada Ana Oramas (Coalición Canaria), que adiantou que votará en contra da investidura de Pedro Sánchez, a pesar de que este venres o Consello Político da formación decidiu que o voto sería favorable. "Dígolle non, non, e mil veces non", afirmou Oramas. A dirección de Coalición Canaria xa anunciou que "actuará cos seus estatutos para as indisciplinas que se produzan por calquera militante do partido" e pídelle a Oramas que cumpra o acordado. O voto contrario non cambiaría o resultado da votación, pero deixaría unha maioría aínda máis axustada (167 a 165).Iglesias chamou a "reparar" con medidas progresistas a "traizón" ao país e á cidadanía cometida polo PPPola contra, a intervención de Pablo Iglesias deixou clara a solidez do apoio de Unidos Podemos a Pedro Sánchez e ao programa de Goberno acordado entre as dúas formacións. Na súa intervención Iglesias chamou a "reparar" con medidas progresistas a "traizón" ao país e á cidadanía cometida polo PP. "Traizoar a España é atacar os dereitos dos traballadores, regalar diñeiro público aos bancos, privatizar os servizos públicos, vender vivendas públicas a fondos voitre, roubar a mans cheas e financiar ilegalmente campañas electorais", dixo.Así mesmo, defendeu que a coalición PSOE-UP "traducirá o 'si se pode' en políticas de Goberno" e exercerá "de vacina fronte á extrema dereita". Ademais, destacou que o programa "combina a experiencia do PSOE coa valentía de Unidas Podemos, xunto coa reconstrución de dereitos e liberdades arrebatadas aos cidadáns e a conquista de novos dereitos".Antón Gómez-Reino (Galicia en Común) destacou que "Galicia estará presente no Goberno"O líder de Unidas Podemos deulle as grazas á sociedade civil e aos movementos sociais: "O acordo é máis mérito delas e deles que de calquera partido político, son os verdadeiros arquitectos deste acordo". E, fronte ás presións para que o Goberno non saia adiante procedente "de grupos financeiros, poderes económicos e os seus brazos mediáticos", Iglesias considerou "necesaria" a crítica dos movementos sociais "para facer as cousas ben".As súas reflexións foron continuadas por Alberto Garzón, que afirmou que "é a última oportunidade de que as cousas non se estraguen máis nin no político nin no económico". Tamén por Jaume Asens (En Comú) e por Antón Gómez-Reino (Galicia en Común), que fixo un chamamento "á firme mobilización cívica para defender o Goberno ante a ofensiva da dereita".Antón Gómez-Reino e Néstor Rego"O Goberno de coalición que imos iniciar no Estado é o Goberno que a partir deste outono vai Gobernar tamén en Galicia", dixo Gómez ReinoO deputado de Galicia en Común destacou que "Galicia estará presente no Goberno", salientando o contido do programa acordado entre o PSOE e Unidas Podemos, como a devolución do Pazo de Meirás ou as medidas para a industria electrointensiva. "En campaña dixemos que o noso país, Galicia, tiña que estar no vindeiro Goberno do Estado. E Galicia vai estar", afirmou. E subliñou que "Galicia está presente no programa de Goberno cando falamos da suba das pensións e do SMI, da derogación da reforma laboral e da LOMCE, ou a Lei Mordaza, de acabar do Copago e non permitir que pechen unidades de asistencia ao partido como as de Verín". "Pero tamén cando falamos do compromiso xa firme para recuperar o Pazo de Meirás; o programa de retorno de persoas emigradas a Galicia; de mulleres e rural, co compromiso para activar o Lei de titularidade compartida", engadiuO deputado rematou o seu discurso sinalando que "este é un primeiro paso, o segundo chegará en outono co cambio de Goberno en Galicia". "O Goberno de coalición que imos iniciar no Estado é o Goberno que a partir deste outono vai Gobernar tamén en Galicia", concluiu o deputado.Néstor Rego destacou que o BNG "puxo sobre a mesa a axenda galega" e reclamou que Sánchez "cumpra os seus compromisos"Pola súa banda, tamén Néstor Rego (BNG) confirmou o seu voto positivo para a investidura de Pedro Sánchez, pero advertiu de que a pesar do seu voto favorable, "o seu Goberno non é o noso Goberno". "O BNG non se vincula nin se vinculará a súa acción de goberno salvo no concernente ao acordo establecido e a aquelas políticas nas que coincidamos e que representen avances en dereitos, democracia e benestar", subliñou. O deputado do Bloque Nacionalista Galego (que iniciou o seu discurso en galego: "Quero que as miñas primeiras palabras sexan na miña lingua, na lingua do meu pobo"), comezou a súa intervención recordando que o compromiso do partido nacionalista "é defender aquí os intereses de Galiza por encima de todas as cousas". Rego destacou que o Bloque "puxo sobre a mesa a axenda galega" e reclamou que Sánchez "cumpra estricta e dilixentemente os seus compromisos cun País que leva demasiado tempo esperando e que ata agora sabe máis de marxinación, esquecemento e incumprimentos por parte dos gobernos españois que de solucións".
PRAZA_10790
Ante a constatación de que as cidades foron tomadas polo capital, toca agora, de forma inminente, articular formas nas que se rescate ás personas para que volten a ser as protagonistas do lugar onde viven, para que non se destrúa a rede social, comercial e local dunha cidade coa creación de novos barrios que non responden a necesidades reais nin sociais senón a intereses particulares disfrazados de ecoloxismo
Parece ser que en Lugo, A Coruña e Ourense se está a proxectar a construción de barrios ecolóxicos de nova creación. A noticia resultoume impactante porque, aínda que unha está xa preparada para arroutadas, non sempre é posible acollelas cunha dose importante de desafección.Vostedes preguntaranse por que me preocupa tanto este tema; pois ben, a resposta é doada: son traballadora social e vexo todos os días persoas que ou ben carecen dun teito ou non teñen unha vivenda digna. Por sorte ou desgraza, non me afago á indiferenza. Os meus mecanismos de defensa para non sufrir un espasmo fixeron que me puxese a soñar esperta sobre a imaxe do deseño engaiolante do barrio que aparece no xornal e imaxinei como me gustaría que fose a cidade de Lugo. Tamén pensei que, se eu tivese a capacidade de debuxar o meu soño sobre a cidade, todas as persoas de Lugo quedarían abraidas pola estampa. Pero como non teño un gabinete técnico que me faga ese traballo e tampouco dispoño de medios para poder pagalo, non me queda outra que a imaxinación. Así que, coa humildade descritiva das palabras, aí vai un bosquexo do Lugo que imaxino. A vista de paxaro, máis da metade dos lousados de Lugo amosarían o escintilar de placas solares ou outros sistemas de aforro enerxético para facer máis sostible o medio ambiente. Pero ao baixar o nivel da rúa imporíanse as cores dos edificios, pintados non de calquera maneira, senón de cores bonitas e pensadas que armonizasen a cidade. Todos os edificios -alomenos aqueles nos que vivisen nenos e persoas maiores- estarían dotados de ascensor. Non habería absolutamente ningunha barreira arquitectónica, e isto marcaría dende o deseño do transporte público ata o acceso ao centro urbano histórico (nunca vin a unha pesoa en cadeira de rodas pola muralla de Lugo), pasando por todos os portais de vivendas. A cidade que imaxino disporía dun bo sistema de reciclado de lixo, que contemplase a regra das tres erres ecolóxicas (reducir, reciclar e reutilizar), alomenos cun sistema soterrado e/ou protexido. Quen sabe se as hortas urbanas de recente creación, e tamén as de sempre, se poderían beneficiar deste sistema. Imaxino unha cidade na que houbese tantas axudas á rehabilitación que ningunha casa ou piso dos cascos históricos estivese en malas condicións e sen habitar. Non houbería ningunha vivenda baleira en Lugo e as universidades encheríanse de alumnos que accederían a un alugueiro asequible e digno. Ningunha casa tería humidades nos teitos, ventás que pasan o aire como se estiveses fora, baldosas no chan que se desfán en anacos… Imaxino que as persoas que habitasen estas vivendas, for en réxime de alugueiro ou en propiedade, poderían manter unha temperatura axeitada nos seus fogares, en boa parte con enerxía procedente de fontes renovables.Que vos parecería se o IGUS comprase vivenda baleira para ter un parque de vivendas sociais suficiente para solucionar os problemas habitacionais, que hai moitos, e de paso regular os prezos dos alugueiros? Postos a imaxinar, que vos parecería se en Lugo houbese espazos pequenos, con árbores, con asentos protexidos que desen lugar á vinculación das personas, sobre todo das persoas maiores que tantas situacións de soidade padecen? E tamén das novas, porque como ben dixo Bauman, a soidade estase a converter en pandemia, e que eu saiba non afecta só á xente maior. Nesa cidade que soño habería árbores, plantas e moitos espazos onde poder conversar tranquilamente sen ruídos e ao abeiro das condicións atmosféricas, e as persoas desprazaríanse maioritariamente nun transporte urbano eficaz, puntual e dinámico. Quizas unha cidade así sería incluída no informe de cidades sostibles de España, alomenos nalgunha das súas categorías (social, económica ou medioambiental). O noso balneario, que explota as únicas augas termais que temos en Lugo -que por certo son dunha calidade incrible- serviría para que os nosos maiores puidesen recibir tratamentos a prezos asequibles.Espertando do soño e voltanto a realidade, porque o tempo xoga sempre a súa baza, e coa tensión xa un pouco regulada, pregúntome se cómpre contruír barrios novos cando a cidade de Lugo presenta un abandono nunca visto, sobre todo no seu casco histórico, no que residen arestora menos de 3000 habitantes.Tamén me pregunto se chegaron a pensar que Ourense e Lugo, nesta orde, son as cidadas que máis vivenda baleira teñen de España segundo o censo do 2011, e que dentro de 10 anos unha terceira parte -botanto moito polo baixo-, das vivendas van quedar baleiras de acordo coa evolución demográfica esperada , que estima que en Lugo, no ano 2025, haberá 11.000 habitantes menos. Precisamente hoxe destaca unha noticia nun xornal galego que dí: "en só seis anos haberá 18000 mortes máis que nacementos".David Harvey escribe: "el derecho a la ciudad actualmente existente, tal como está ahora constituido, es demasiado estrecho y está en la mayoría de los casos en manos de una pequeña elite política y económica con capacidad para configurar la ciudad según sus propias necesidades particulares y sus deseos más íntimos". Por pura lóxica, cabe pensar que se a crise é de urbanización, a solución está tamén nese marco. Non é máis ambicioso e tamén máis lóxico facer unha cidade ecolóxica e sostible que un barrio e colóxico? Para que e para quen?Pois ben, ante a constatación de que as cidades foron tomadas polo capital, toca agora, de forma inminente, articular formas nas que se rescate ás personas para que volten a ser as protagonistas do lugar onde viven, para que non se destrúa a rede social, comercial e local dunha cidade coa creación de novos barrios que non responden a necesidades reais nin sociais senón a intereses particulares disfrazados de ecoloxismo e de valores de sustentabilidade que enfeitizan ás persoas con avances e ilusións que nunca chegan ou chegan só para un poucos. Teño a esperanza de que as persoas reaccionemos e non deixemos gastar os nosos cartos nalgo enganoso. Tiña boa razón Leonidas Donskis en Ceguera moral ao dicir nos diálogos con Zygmunt Bauman: "o poder do demo reside na súa mestría na arte da falsificación".
PRAZA_16885
O Supremo dá ata mediados do xullo ao Estado para que se cumpra coa sentenza que obriga a compensar as compañías polas taxas autonómicas pagadas en 2013, ameaza con multas e aclara que ao recargo sobre os consumidores haberá que engadirlle os intereses.
Logo de que o Estado certificase o pasado mes de xaneiro unha nova suba no recibo da luz dos galegos para compensar as eléctricas polo pagamento de impostos na comunidade, o Tribunal Supremo aprema agora o Ministerio de Enerxía e as autonomías a aplicar este incremento canto antes e ameaza con multas á Administración que non o faga. O Supremo aprema a que se apliquen as subas no recibo da luz que afectarán os galegos Malia que a Xunta rexeita esta suba obrigada pola pasada sentenza xudicial de xuño de 2014, o mecanismo está en marcha. Non lle queda outra. Os fogares galegos pagarán máis pola luz e un último auto do Tribunal Supremo, ao que tivo acceso Praza.gal, pon data límite para que se aplique esta medida: o vindeiro 15 de xullo. "En caso contrario poderase acudir ás medidas coercitivas ou ben substitutorias ou indemnizactorias que se consideren procedentes", advirte a resolución. A decisión do Supremo, adiantada polo Faro de Vigo, insiste en que se repercutirán nos recibos dos galegos aqueles tributos que a Xunta cobrou ás eléctricas en 2013 e que acabarán pagando os consumidores. O Supremo pon data límite para a aplicación deste incremento: o 15 de xullo. De non facerse, aplicaranse sancións Son as consecuencias derivadas da sentenza de 11 de xuño de 2014 e do auto do Supremo de marzo de 2017 na que se determina que as compañías poderían aplicar un "suplemento territorial" á factura da luz para repercutir o custo dos tributos específicos mediambientais que se fixaran nas diferentes comunidades autónomas, entre elas Galicia. Dábase vía libre para que as eléctricas recuperasen estes gravames mentres estivo en vigor o decreto-lei de estabilidade orzamentaria aprobado por Rajoy en 2012. Aquel decreto fixaba como obrigatoria a posibilidade aberta pola Lei do sector eléctrico, que permitía incorporar suplementos territoriais aos consumidores de autonomías con recargos sobre os tributos estatais. Era un risco do que advertía a oposición e que o Goberno galego negaba ou non quería crer. Varias sentenzas recoñécenlle ás eléctricas aplicar un "suplemento territorial" á factura para compensar os tributos autonómicos pagados En vigor durante todo aquel ano 2013, aquela posibilidade non se chegou a aplicar e a finais de ano outra lei para o sector botou por terra todo o anterior, pero as compañías eléctricas acudiron ao Supremo, que lles deu a razón. O Goberno central tivo que reaccionar pero a súa orde para acatar a resolución, de hai xa máis dun ano, tan só logrou fixar os suplementos territoriais de catro autonomías. O Ministerio de Enerxía non foi quen de acadar a información necesario para o seu cálculo noutros territorios como Galicia. Así, hai tan só uns meses informou ás autonomías de que pasaría a cobrar eses recargos e reclamoulles as cifras da recadación para determinar a suba dos recibos. Ademais, especificou os impostos polos que se vería afectada cada comunidade, que no caso de Galicia non só abranguen o canon eólico, como se prevía, senón tamén ao de saneamento, ao imposto sobre contaminación atmosférica (ecotaxa) e ao imposto sobre dano medio ambiental causado por determinados usos e aproveitamentos da auga en encoros. Agora, o novo auto do Supremo, máis aló de informar o Ministerio, advirte do "desigual resultado" do intento por apañar a información necesaria das autonomías, entende "oportuno remitir testemuño deste auto ás correspondentes consellerías" de cada comunidade, "instando á súau colaboración, esixible para o cumprimento das resolucións xudiciais". Ao recargo que se lle aplique aos consumidores haberá que aplicarlle os intereses Ademais, advirte de que as cantidades que queden fixadas definitivamente non deberan ser afectadas polo atraso na execución da orde, polo que "deberán incorporar, na forma que resulte procedente, os intereses legais correspondentes" a partir da notificación do auto do 10 de marzo de 2017. O Estado ten previso aplicar axiña a suba para cumprir coa sentenza xudicial e cumprir co prazo marcado polo Supremo. A Xunta foi enviando os datos, aínda que non se coñecen con detalle cantos, pero tamén recorreu a orde. Ao tempo, o BNG instou este xoves ao presidente Alberto Núñez Feijóo a "dar explicacións" ante a sentenza do alto tribunal "que permitirá ás eléctricas encarecer o recibo da luz" por un valor que a formación nacionalista cifra nuns "70 millóns de euros". Para a portavoz do Bloque, Ana Pontón, é unha "burla a Galiza" que o PP permita "que os galegos e as galegas paguemos máis pola luz cando somos un país produtor de enerxía". Galicia recadou uns 40 millóns de euros en 2013 polo canon eólico, a ecotaxa e o imposto por dano ambiental dos encoros Segundo os datos do IGE, que non inclúe cantidade ningunha no de saneamento, en 2013 pola ecotaxa Galicia ingresou 2'92 millóns; 22,92 máis polo canon eólico e 13,99 millóns por dano ambiental dos encoros. Un total de case 40 millóns de euros que, como mínimo, terán que ser pagados polos consumidores galegos. A Xunta argumenta que estes tributos non deberían ser contemplados polo Ministerio nin repercutir sobre os consumidores ao ser medioambientais e non gravar as actividades ou instalacións eléctricas.
NOS_47524
Os grupos municipais do BNG reclamarán, mediante moción, o pagamento do Imposto de Bens Inmobles á Igrexa nos concellos galegos con representación nacionalista.
O BNG solicitará dos plenos municipais que insten ao Goberno estatal á supresión dos privilexios dos que goza a Igrexa Católica dende os acordos subscritos coa Santa Sede nos anos 70. Namentres isto non se leve a cabo, pide que se negocie coa Igrexa a compensación aos municipios pola súa exención do IBI.En 426 millóns de euros estimaba a propia Dirección Xeral do Catastro o valor do patrimonio estritamente relixioso da Igrexa católica en Galiza no ano 2010, conformado entón por un total de 7. 691 inmobles. O BNG considera incomprensible que, no actual contexto de crise económica, no que ademais se incrementou o Imposto aos Bens Inmobles, a Igrexa Católica "teña o privilexio de non tributar aos concellos polo seu enorme patrimonio ao tempo que percibe financiamento directo e subvencións para a conservación e mantemento dos seus fondos patrimoniais", tal e como se recolle no texto das mocións. A Igrexa Católica, que non tributa ao erario público polo seu patrimonio, é beneficiaria da axuda das administracións para a conservación do mesmo.Nas mocións reclámase que o Estado sexa coherente co seu carácter aconfesional e, en consecuencia, permita a suxeición da Igrexa ao Imposto de Bens Inmobles. Piden, así mesmo, o compromiso ao respecto do Parlamento galego e da Xunta. E solicítase, por último que os gobernos municipais realicen un censo dos inmobles pertencentes á Igrexa Católica e a outras confesións.A moción será presentada por rexistro nos concellos e será debatida nos próximos plenos municipais. O BNG anunciou xa a iniciativa, nos últimos días, en varios concellos, como A Estrada ou Tomiño. En Betanzos foi xa debatida en pleno, e rexeitada polo PSdeG. En Teo foi presentada en rexistro o venres pasado e, en Ordes, debaterase esta mesma semana. A iniciativa -sinala Sandra González, responsable de Política Municipal do BNG- está en coherencia coa liña política defendida polo Bloque tanto no Parlamento estatal como no galego. O pasado marzo debateuse no Congreso dos Deputados, a instancias do BNG, unha proposición non de Lei, rexeitada por PP e CiU, na que se instaba ao Goberno á revisión dos acordos coa Santa Sede. Tamén nese mes presentou unha proposición non de lei, aínda sen debater, na que demandaba da Igrexa Católica o pagamento do IBI.
NOS_37666
Nunha entrevista publicada por La Voz debulla as medidas que desenvolverá a Xunta após arderen máis de 10.000 hectáreas na Galiza: reformar o Código Penal e "mellorar a política interior" para "concienciar as forzas e corpos de seguridade"
O presidente da Xunta de Galiza fai coma quen escoita chover. A vaga de lumes que asolaga Galiza desde o pasado mes de xullo e que deixou xa máis de 10.000 hectáreas ardidas no que vai de campaña non vai con el como tampouco a administración galega ten responsabilidades pois "a maior parte do monte é privado", afirmou. O presidente considera que a vaga de incendios é "un problema de orde pública" que se resolve "concienciando" Alberto Núñez Feijóo elude nunha entrevista concendida a La Voz de Galicia, asumir que as decisións adoptadas polo Goberno galego teñen a ver coa falta de medios na prevención e extinción dos incendios e apela a "un problema de orde pública" que di, subsanarán "concienciando as forzas e corpos de seguridade" para que investigar os lumes non sexa só cousa do verán. "Se alguén colle unha arma pola rúa e dispara á xente, deseguro que a pregunta non é que tal tratan aos feridos nos hospitais". Con este símil o presidente do executivo galego bota balóns fóra perante os incendios que están a devastar Galiza e elude as responsabilidades do seu Goberno. Para Núñez Feijóo estas non lle son atribuíbeis por mor da titularidade das terras que son "na súa maioría" de carácter privado. Núñez Feijóo responsabiliza @s propietari@s da vaga de incendios por non saberen que as terras abranguen "dereitos e obrigas" Nin os recortes en prevención e extinción de incendios denunciados polos servizos de emerxencia a comezos do verán, nin a política forestal, nin as mudanzas lexislativas que reduciron o perímetro de seguridade entre o monte e os núcleos rurais, son responsabilidade do Partido Popular á fronte da Xunta. Para Feijóo son "os propietarios" das terras @s que "non protexen" e mesmo "non aseguran" o monte pois, ao entender do presidente da Xunta descoñecen que "a propiedade ten dereitos e obrigas".
PRAZA_9486
Sánchez Izquierdo acusa de "manipular" a quen denuncia o control informativo nos medios públicos e advirte da "infinidade de 'bulos' e 'fakes' utilizados por determinadas plataformas políticas e sindicais", en referencia ás protestas do persoal que cumpren 41 semanas
#Caretasfóra. Ese foi o cancelo empregado polo persoal mobilizado da CRTVG no 41º venres negro, no que segue a clamar "contra a manipulación" e polo cumprimento da Lei de Medios. De novo de loito, boa parte dos traballadores dos medios públicos volveron dar a cara cando se cumpren nove meses desde que comezaran as protestas. "E todo segue igual... Ou peor", destacan. O persoal mobilizado insiste en advertir da "manipulación" na TVG e na Radio Galega, unhas acusacións que volveu rexeitar o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, nunha nova comparecencia na comisión de control parlamentaria na que mesmo virou o foco para acusar de manipular aos que se din sufrir a manipulación.Sánchez Izquierdo acusa de "empregar as mellores técnicas manipuladoras" a quen denuncia a manipulación na CRTVG"Moitas veces quedo sorprendido de que os máis grandes reivindicadores de formulacións non manipuladoras empregan as mellores técnicas manipuladoras", dixo este pasado xoves no Parlamento, tras acusar aqueles que protestan de "seguir tirando pedras contra o tellado da CRTVG,que soporta milleiros de traballadores, vertebra o máis e é o maior altofalante de Galicia aquí e no mundo".Sánchez Izquierdo vestiu o papel de vítima ante "quen contrúe un relato" que "non beneficia" nin os traballadores nin o sector audiovisual. E foi aínda máis lonxe ao insistir na "infinidade de bulos e fakes que determinadas plataformas políticas e sindicais utilizan". "Para nós sería unha tentación extraordinaria aplicar toda a nosa potencia e polemizar, pero non é o noso papel", dixo tras presumir do proceso de dixitalización da canle, do paso á emisión en alta definición ou das audiencias. "Non parece que case coa precariedade laboral, o desmantelamento e a crise xeralizada que se denuncia", insistiu. O director xeral da CRTVG advirte da "infinidade de 'bulos' e 'fakes' utilizados por determinadas plataformas políticas e sindicais" respecto dos medios públicosMentres, desde Defende A Galega, colectivo que organiza as protestas do persoal, advirte de que "son tempos de implicación" e insisten en pedir que "rematen as represalias contra traballadores que só reivindican uns medios públicos de todas e para todas". Refírense aos expedientes ou decisións tomadas con xornalistas como Alfonso Hermida, Tati Moyano, Carlos Jiménez ou Marga Pazos. Preguntado pola deputada do BNG, Noa Presas, sobre as supostas represalias sufridas por esta última xornalista logo da súa participación en protestas polos medios públicos, tras denunciar o boicot da CRTVG á folga do 8-M ou tras gañar un xuízo que lle recoñecía un complemento de nivel, Sánchez Izquierdo negouno todo."Recursos Humanos tomou unha decisión axeitada, cumpre coa sentenza dun xuíz e non podo censuralo. Rexeito calquera tipo de conexión entre unha decisión laboral e unha repercusión política", dixo, logo de que Presas falase de "caza de bruxas". Para Sánchez Izquierdo, é "inaceptable" que se insinúe unha "correlación, aínda que sexa velada" entre unha decisión laboral e unha "intencionalidade política". "Se houbese algún tipo de represalia por unha posición activa nunha folga, pódolle citar varias traballadoras que leron manifestos e seguen nos seus postos de traballo, algunha delas con cargos de responsabilidade", dixo. "Non estamos no medio dunha política represiva", insistiu o director xeral dos medios públicos, que negou unha "confrontación política" que "moitos queren manter". "O que non pasa na CRTVG é o uso de contidos informativos, como se fai noutras televisións do Estado", rematou.
NOS_56341
"Dereitos, liberdade e autodeterminación" foron as esixencias da maré humana que hoxe anegou o interior do Camp Nou e as rúas que rodean o estadio, nunha Barcelona policialmente blindada.
Aos reloxos marcaren as 16 horas fóronse achegando milleiros de manifestantes aos arredores do Camp Nou de Barcelona para participaren da convocatoria de Tsunami Democràtic co obxectivo de esixir diálogo ao Estado para solucionar o conflito político en Catalunya, cadrando co partido da Liga que ás 20 horas enfrontou o FC Barcelona e o Real Madrid. De feito, o lema empregado foi Spain sit and talk (España, senta e fala), mesma mensaxe que tamén protagonizou as accións mobilizadoras que Tsunami convocou en Catalunya durante o mes de outubro, após coñecerse a sentenza punitiva do procès. Foi aí cando esta plataforma social autodeterminista saltou á palestra pública. Dereitos, liberdade e autodeterminación, tamén foron as palabras de orde baixo as que se produciron as mobilizacións no Camp Nou. O protesto convocouse baixo o obxectivo de visibilizar no interior e nos exteriores do Camp Nou a situación política en Catalunya, aproveitando un dos acontecementos deportivos máis seguidos no mundo. Con todo, e ante a previsión dunha asistencia masiva, Tsunami lembrou a través das redes que se tornaba "imprescindíbel" que o partido se puidese xogar para que as reivindicacións tivesen éxito, e chamou á participación non violenta. Nas portas do estadio repartíronse milleiros de cartolinas co lema Spain sit and talk que, unha vez iniciado o encontro, se ergueron pola afección ao longo das gradas. Ao redor do perímetro do Camp Nou, unha trintena de persoas portaron bolas inchábeis negras que reproducían balas de foam da policía catalá a tamaño xigante para denunciar os proxectís empregados nas últimas mobilización en Catalunya contra as manifestantes. De feito, tamén se portaron carteis con ollos rotulados, lembrando as lesións oculares que as balas produciron en manifestantes. O dispositivo policial blindou o Camp Nou Até un total de 1.000 Mossos d'Esquadra e 2.000 efectivos de seguridade privada do FC Barcelona blindaron as inmediacións do estadio desde o inicio do día desta cuarta feira. Tamén se despregou a Garda Urbana de Barcelona e o Ministerio do Interior desprazou antidisturbios da Policía Nacional e a Garda Civil. Os exhaustivos rexistros que realizaron axentes de seguridade nos accesos ao estadio provocaron numerosas colas e agardas. Así mesmo, desde as redes sociais da organización convocante denunciouse o feito de que axentes de seguridade requisasen as cartolinas de Tsunami ás persoas que entraban e mesmo numerosos asistentes tiveron que abrir os seus bocadillos e ensinar o contido para poderen entrar. Vivíronse momentos de tensión cando unha trintena de persoas do colectivo ultra Boixos Nois agrediron a golpes manifestantes independentistas nas portas do Camp Nou.Minutos antes de comezar o partido, as e os congregados ao redor do estadio de fútbol desprazáronse seguindo as indicacións de Tsunami para poder ver o encontro Barça-Madrid desde unha praza próxima ao campo onde se instalou un proxector de grandes dimensións. Xusto antes do inicio e após soar himno do club blaugrana, as e os asistentes formaron, como é tradición, un mosaico na bancada que amosaba as cores da bandeira catalá, e foi entón cando o estadio se encheu das pancartas azuis de Tsunami. Nesas, dúas lonas grandes de cor amarela se estenderon coas proclamas de Spain, sit and Talk e Freedom (liberdade), mais foron retiradas aos poucos minutos. Boa parte da afección acompañou a acción con consignas a prol do dereito dos pobos a decidir, contra a represión sobre o movemento soberanista catalán e con de berros a prol da "independencia" e de "liberdade, presas políticas". O Tribunal europeo decide sobre Junqueras Está previsto que o Tribunal de Xustiza da Unión Europa decida esta quinta feira, 19 de decembro, se o líder de Esquerra, Oriol Junqueras, tiña condición de eurodeputado e inmunidade desde os comicios europeos e se o Tribunal Supremo que o condenou coa sentenza do procès tería a obriga de telo liberalo para que puidese acatar a Carta Magna e exercer a súa condición de eurodeputado. Así, o TXUE ratificará ou non a posición que a comezos de novembro adoptou o avogado xeral do Tribunal europeo, quen considerou que Junqueras debera ser recoñecido como eurodeputado desde o momento en que se proclamaron os resultados. O Parlamento non aceptou o seu escano ao non entregar a acta expedida polo Estado español, a cal non puido recoller ao non se lle permitir a saída do cárcere.
NOS_3118
Defende A Galega esíxelle ao grupo parlamentario do Partido Popular, como forza que sustenta o goberno, que propoña un candidato á dirección xeral da CRTVG "que conte coa aprobación de dous terzos da Cámara, tal e como establece a Lei de Medios aprobada en 2011".
Na antesala do primeiro pleno do Parlamento trala sesión constituínte da XI Lexislatura o colectivo Defende A Galega esíxelle ao grupo parlamentario do Partido Popular, como forza que sustenta o goberno, que propoña un candidato á dirección xeral da CRTVG "que conte coa aprobación de dous terzos da Cámara, tal e como establece a Lei de Medios aprobada en 2011". A situación de interinaxe na que se atopa o actual director xeral dos medios públicos, nomeado en 2009, "é unha anomalía provocada pola falta de vontade do PP de consensuar un candidato coa oposición, requisito ao que obriga a lexislación vixente", din. Á par que esixe a fin desa "ilegalidade", Defende A Galega reclama que a escolla do novo director xeral se oriente a solventar algúns dos principais problemas que atinxen a radiotelevisión pública "e que impiden que esta cumpra coa función de servizo público para a que foi creada". "Esixiremos, pois, de quen ocupe a dirección xeral, que poña fin á política de desmantelamento do ente, principal causa da perda de calidade tanto dos contidos como dos formatos; que restitúa as desconexións locais da Radio Galega, un dos alicerces do servizo público que debe ofrecer; que reabra as delegacións de Pontevedra, Ferrol e A Mariña, imprescindibles na vertebración informativa do país; e que restableza o servizo lingüístico en todas as quendas horarias, esencial na función normalizadora que cumpre a CRTVG", engaden. Defende A Galega entende que a "deriva indigna" na que leva anos a canle pública ten como principal responsable o Partido Popular, "como formación que gobernou con maioría absoluta nos últimos 12 anos, polo que lle esiximos un cambio radical de actitude nesta nova lexislatura que comeza".
PRAZA_75
A democracia nos partidos políticos é un menú con varios pratos. O dereito a votar directamente debería ser un deles. Pero tamén hai outros e non menos importantes. Por exemplo: a transparencia na xestión ordinaria da vida interna. Ou tamén: a existencia dun ambiente favorábel á xestación e debate de novas ideas e proxectos
Nos últimos días tivo lugar, no seo do partido Podemos, a elección das persoas que van ocupar responsabilidades dirixentes en diversos concellos do Estado. Resultou chamativo constatar que o nivel de participación das persoas inscritas ficou nidiamente por debaixo do 50%. A sorpresa foi, con todo, relativa: nos procesos electivos realizados hai poucas semanas na mesma formación para acordar os principios -éticos e políticos-, o modelo organizativo e a designación da equipa dirixente, a porcentaxe de votantes tampouco superou a metade do censo total existente. Estamos, pois, ante unha realidade contraditoria: a posta en funcionamento dun mecanismo participativo para tomar decisións no seo desta nova forza política non se ve correspondida cunha implicación práctica da grande maioría das persoas que, voluntariamente, se tiñan apuntado para poder estar presentes no procedemento establecido. Este fenómeno acontecido agora en Podemos tamén se comprobou anteriormente nos procesos rexistrados en Anova e Cerna. E ocorreu algo semellante na tantas veces citada Asemblea do BNG celebrada en Amio nos primeiros días de 2012: o volume de participantes nas relevantes decisións tomadas naquel encontro non foi mais alá da metade da afiliación existente na organización nacionalista. En todos estes casos, había dúas circunstancias coincidentes: a explícita invocación da importancia dos temas que se sometían ao veredicto das persoas integradas nos respectivos grupos e a reiterada petición da máxima participación por parte de todos os sectores concernidos nos debates abertos. Cal é a explicación desa notábel distancia entre o escenario desexado e a realidade finalmente constatada? A falta de coñecer outras hipóteses que se podan formular dende os propios protagonistas, cabe pensar que os abstencionistas quixeron delegar nas persoas que fixeron efectivo o seu voto as decisións sobre os asuntos que figuraban na axenda das diferentes citas grupais. A pesar da solemnidade dos chamamentos realizados, unha parte significativa das persoas convocadas declinaron exercer a opción da participación directa. Até agora, a corrente dominante na opinión publicada podía ficar resumida neste xuízo valorativo: os procesos electivos internos mediante votación directa da afiliación constitúen unha opción desaconsellábel porque exteriorizan unha división que sempre resulta penalizada polo corpo social. A competencia interna era vista como unha debilidade da organización afectada mais que como unha fonte de fortalezas de cara á concorrencia electoral. No territorio mediático, as cousas teñen mudado notabelmente. As prácticas de elección directa por parte das forzas políticas xa non se consideran como episódicas excepcións que confirman a regra da designación polos órganos directivos formalmente constituídos ou, sen eufemismos, polo líder da formación correspondente. A perda de confianza nos partidos hexemónicos do sistema político está a provocar unha revisión gradual do "modus operandi" tradicionalmente implantado nunhas forzas que convertían en letra morta as prescricións contidas no propio texto constitucional. Preferir o método da selección participativa sobre a fórmula da designación indirecta non significa postular ningunha caste de fe laica no acerto automático das decisións adoptadas pola base afiliada das organizacións políticas. A historia recente está chea de casos prácticos que revelan a diferenza entre a máxima lexitimación democrática que outorga un procedemento de elección directa e a virtualidade do resultado derivado da aplicación de tal procedemento. A condición necesaria non ten por que ser suficiente garantía de éxito. A democracia nos partidos políticos é un menú con varios pratos. O dereito a votar directamente debería ser un deles. Pero tamén hai outros e non menos importantes. Por exemplo: a transparencia na xestión ordinaria da vida interna. Ou tamén: a existencia dun ambiente favorábel á xestación e debate de novas ideas e proxectos. Reducir o exercicio democrático ao procedemento seguido na toma das decisións empobrece o alcance e a calidade do mesmo.
NOS_38121
Francisco Vázquez Vizoso é médico epidemiólogo e un dos voceiros da Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes, na súa condición de membro do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (Modepen). Analizamos con el a situación dos centros de maiores e a resposta do Goberno galego diante da crise do coronavirus.
Leva xa un tempo estudando o modelo asistencial para as persoas maiores na Galiza. Que cre que fallou nas residencias durante a crise do coronavirus? Fallou o propio modelo de atención á dependencia que se desenvolveu desde 2007, cando se aprobou a actual lei de dependencia, unha lei abertamente neoliberal, que permitiu a entrada no sector das grandes empresas da dependencia que, como DomusVi, son propiedade dos grandes fondos voitre de investimento, mentres que desde a Administración pública se deixou facer. Cómpre que teñamos claro que a procura de beneficios económicos é o principal obxectivo desas empresas. Ingresar moito e gastar pouco é a chave. Os seus prezos son altísimos e, onde poden aforrar? Pois sobre todo en persoal e alimentación. Porén, na miña opinión, hai outro elemento esencial para explicar a precaria situación das residencias, e é o enorme despiste da esquerda política e social sobre a gran debilidade dos servizos sociais dirixidos a maiores e dependentes que temos, así como a súa enorme privatización e os seus carísimos prezos. A consecuencia máis evidente dese despiste é, tamén, a gran debilidade dos movementos sociais que nos opoñemos ao proceso de privatización dos servizos sociais dirixidos aos maiores e dependentes, e que vimos loitando contra as precarias condicións nas que viven os usuarios deses servizos e o persoal que traballa nel. "A resposta inicial da Xunta foi facerlle caso ao que propuña a gran patronal das residencias privadas" Na súa condición de epidemiólogo, considera eficaces as alternativas para as usuarias das residencias que puxo en marcha a Xunta tras detectarse os casos de coronavirus? O despiste inicial foi moi forte. A resposta da Xunta foi facerlle caso, como sempre, ao que propuña a gran patronal das residencias privadas co apoio dalgunhas profesionais do sector asustadas polo que se lles viña enriba. Propuxeron solucións que perseguían sobre todo os obxectivos de sacarse de enriba o problema, que a precaria realidade das residencias non se airease moito e que os custos asociados ao coronavirus fosen asumidos pola Administración pública. Así, a súa proposta foi sacar das residencias privadas as persoas positivas en coronavirus e transferilas a unhas novas "residencias integradas" xestionadas polo Goberno galego. Hoxe, a realidade, está facendo moi difícil aplicar esa receita. En relación con isto último, cales considera as medidas máis urxentes para aplicar nos centros de maiores? A atención sanitaria dos ingresados nas residencias que non precisen de hospitalización debe realizarse nas propias residencias. A administración pública debe obrigar a patronal das residencias a que cumpran co seu papel de centros sociosanitarios, nos que sexa posíbel atender as pacientes que viven nelas e que non precisan de hospitalización. A Xunta debeu deixar iso ben claro desde o principio, e axudar a resolver os evidentes problemas de precariedade de persoal que teñen as residencias, tanto do persoal sanitario como do persoal de coidados. O Goberno galego debería obrigar as residencias a que cumpran como mínimo cos estándares legais de persoal en todas as quendas de traballo, que seguen sen cumprir en plena crise. Se é preciso, e moi probabelmente o será, as residencias teñen que contratar máis persoal xerocultor e asumir os custos correspondentes. A Xunta debe estabelecer os mecanismos que permitan garantir que se cumpran de verdade os estándares de persoal que garantan unha correcta atención ás persoas ingresadas. Ademais, debe estabelecer un plan especial de apoio, desde a sanidade pública, para garantir que a atención sanitaria ás persoas que viven nas residencias sexa axeitada. Como o persoal estritamente sanitario co que contan as residencias é moi precario, a sanidade pública debe desprazar persoal médico e de enfermaría ás residencias, para garantir a correcta atención sanitaria das residentes que non precisen hospitalización. E, por suposto, é intolerábel que as traballadoras non conten xa con suficientes equipos de protección persoal, como máscaras, solucións de base alcohólica ou luvas. O propio Núñez Feixoo afirmou que é necesario repensar o modelo residencial para a terceira idade na Galiza. Sobre que eixos pensa que se debe articular ese novo modelo? O andazo do coronavirus fixo aboiar a realidade da enorme privatización, precariedade e custos altísimos dos actuais servizos sociais dirixidos aos maiores e dependentes. Cando saiamos do andazo deberíamos ser capaces de deixar atrás o neoliberalismo e construír o cuarto piar do Estado do benestar. Precisamos duns verdadeiros servizos sociais públicos dirixidos ás maiores e dependentes. Debemos exixir que, como sucede coas pensións ou coa sanidade ou o ensino público, a correcta atención dos maiores e dependentes sexa considerado un dereito. Necesitamos construír un gran e plural movemento social que, pasado o coronavirus, sitúe estas reivindicacións en primeiro plano.
PRAZA_224
A Academia fai pública unha declaración institucional en resposta ás recentes estatísticas que confirman o retroceso no uso da lingua galega
A Real Academia Galega fixo pública este venres unha declaración institucional, O galego dá vida, pola vida do Galego, en resposta aos moi negativos datos sobre a situación da lingua revelados nos últimos tempos polo INE e polo IGE. A RAG responsabiliza da situación, principalmente, ao Goberno galego, a quen lle esixe que "asuma" o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004 e que "poña en marcha" as "medidas previstas nel dun xeito programado, verificable e suxeito a avaliación". "Non se pode demorar por máis tempo o momento de emprender iniciativas concretas con prazos precisos. Instamos a que o mesmo consenso político que posibilitou a aprobación da Lei e do Plan citados impulse agora a súa plena e eficaz implementación", engaden. A RAG reclama unha vez máis a derrogación do decreto de plurilingüismo aprobado en 2010 "e o establecemento dun marco legal que permita unha presenza suficiente do galego no ensino" De igual xeito, reclama unha vez máis a derrogación do decreto de plurilingüismo aprobado en 2010 "e o establecemento dun marco legal que permita unha presenza suficiente do galego no ensino, de acordo cos compromisos contraídos polo Estado Español na Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias". Así mesmo, esixe que o galego "sexa debidamente requirido e valorado nas probas de acceso e promoción na función pública". Pide "que se promova unha maior oferta televisiva, de produtos audiovisuais e de recursos, actividades e espazos de lecer en idioma galego específicos para a xente máis nova" Ademais, do ensino, "unha peza clave para garantir o porvir do galego", o texto fai referencia a outros eidos que xulga tamén fundamentais, coma o ocio da infancia e a mocidade, para os que reclama "que se promova unha maior oferta televisiva, de produtos audiovisuais e de recursos, actividades e espazos de lecer en idioma galego específicos para a xente máis nova". En relación con isto, tamén demanda unha maior presenza do galego nos medios de comunicación escritos, audiovisuais e en liña, que na actualidade "non é proporcionada á que o idioma ten na sociedade galega". Tamén lles pide ás universidades "un esforzo a prol do galego na docencia" e, ademais, "fomentar as liñas de investigación en diversas áreas que contribúan ao seu pleno desenvolvemento como idioma útil e capaz de afrontar os desafíos do século XXI". Tamén anima a empresas, sindicatos, colexios e colectivos profesionais "a que se adapten debidamente ao uso lingüístico de clientes, usuarios e públicos a quen dirixen os seus servizos". E, finalmente, diríxese á Igrexa, para que cumpra co seu compromiso de incorporar "un maior uso do galego na liturxia, na predicación e na catequese". A pesar da difícil situación, a declaración amosa "confianza no futuro", baseada na certeza de que "a inmensa maioría das xentes do país –independentemente da súa ideoloxía ou mesmo do idioma que falan– valoran a lingua" A pesar da difícil situación, a declaración amosa "confianza no futuro", baseada na certeza de que "a inmensa maioría das xentes do país –independentemente da súa ideoloxía ou mesmo do idioma que falan– valoran a lingua, téñenlle lei e desexan que siga vivindo". A RAG pide "unha reflexión seria, cómpre un novo impulso para evitar o desafiuzamento do galego da súa propia casa, Galicia". E pide "un marco normativo máis axeitado, pero sobre todo, un discurso renovado, positivo e proactivo". O texto conclúe convidando a Xunta a "tomar a iniciativa e liderar o esforzo social para seguirmos avanzando".
NOS_17928
As crónicas é a primeira pista do novo disco da banda ourensá Os Amigos dos Músicos. A canción conta cun vídeo realizado por Rubén Domínguez de Prenom e afonda no seu pop de raíz norteamericana, excepcional talento melódico e lírica en galego.
As crónicas, cos seus ecos á etapa clásica dos estadounidenses Jayhawks, as súas voces exquisitamente harmonizadas e o seu elaborado traballo de guitarras, adianta o que será Segundo fogar. Os Amigos dos Músicos - As crónicas No segundo traballo de Os Amigos dos Músicos participa Xabier Díaz co adufe e Fernando Barroso coa mandolina. Arcadio Nóvoa, Raúl Diz, Daniel Alonso, Druso Pedrouzo, Jaime Mateo e Álvaro Rivera, Os Amigos dos Músicos, gravaron Segundo fogar nos estudios A Ponte en Roxos. Das dez cancións do disco, nove son de composición propia e un elaborárono a partir do poema Bicarelo, Uxío Novoneyra.
NOS_54996
O organismo rexional europeo esixe á Xunta que prema a Fomento para dar saída por tren ás mercadorías dos portos de ambas cidades para non poñer en risco a competitividade da Galiza.
Galiza non ten nada que envexar ao porto de Rotterdam. Cando menos así o ve o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, que esta quinta feira falou sobre a necesidade de dotar Ferrol dunha conexión ferroviaria coa Coruña "competitiva e adaptada ás necesidades dos cidadáns e das empresas destas comarcas". Durante a súa visita a estas cidades, Vázquez Mao salientou que esta cuestión "non é un problema local; é galego", polo que cre que a Xunta "tamén debe explorar a súa capacidade de actuación e de presión". Neste senso, indicou que "agora mesmo existe unha discusión entre as opcións atlántica e mediterránea para o transporte marítimo e imporase a que teña mellores infraestruturas". Por este motivo considera que a conexión de Ferrol coa Coruña, para el a "espiña cravada" do eixo ferroviario Ferrol-Lisboa, é "tan imprescindíbel para Galiza". Con fondos europeos As persoas expertas do Eixo Atlántico están a traballar na actualidade nun documento sobre a realidade desta infraestrutura que remitirán nos próximos meses ao Ministerio de Fomento para que teña unha referencia máis á hora de completar o mapa de comunicacións da Galiza, que segundo as estimacións do Eixo, precisará 5.000 millóns de euros dos que a metade poden cofinanciar con fondos europeos e o resto con cargo a préstamos do Banco Europeo de Investimentos.
NOS_56867
Destaca a "nula ou escasa atención" que os organismos galegos consultados lle prestaron ás súas recomendacións.
A Plataforma veciñal Mina Touro – O Pino NON vén de destacar o feito de que o Defensor del Pueblo dedique catro páxinas do seu informe anual, recentemente publicado, ás súas investigacións sobre a mina de Touro. Este organismo faise eco dos temores da veciñanza, preocupada "polos impactos negativos nas augas, polas drenaxes acedas procedentes da mina e o incremento do ruído por voaduras e maquinaria pesada, así como pola influencia negativa no desenvolvemento socio-económico da zona, sobre todo para as explotacións gandeiras, agrícolas e forestais e o turismo asociado aos bens do patrimonio histórico. "Unha vez máis, volve deixar de manifesto as diversas irregularidades cometidas pola Xunta de Galiza ao respecto desta mina, tanto no concernente ao proxecto presentado por Cobre San Rafael como ás últimas décadas desde que pechara a anterior explotación nos anos 80", destaca o colectivo veciñal. O informe recolle que o Goberno galego non impulsou a tramitación do plan de actividades extractivas nin informou sobre unha data estimada para a súa aprobación nin pediu o preceptivo informe a Augas de Galiza. Segundo Mina Touro – O Pino NON queda clara a "actuación neglixente" dunha Xunta que prestou "escasa ou nula atención" ás recomendacións e suxestións do Defensor del Pueblo, "tanto respecto a esta mina como á actividade extractiva na Galiza, en xeral". Desde o colectivo veciñal queren recalcar, por outra banda, que a pandemia e o confinamento "non implican esquecer a loita contra a mina nin a defensa do medio natural, cultural e dos nosos medios de vida estratéxicos, como son a gandería, agricultura e industria forestal, principalmente".
PRAZA_4940
O presidente do Goberno, nun ton nada amable, responde á voceira do BNG que está "orgulloso" da operación con Novagalicia e que o Executivo fai todo "por saber toda a verdade" sobre o sinistro ferroviario.
O Goberno central fai todo por "saber toda a verdade" do accidente do Alvia en Santiago, o reparto da PAC beneficia a Galicia, o Executivo é "moi activo" para conseguir traballo para os estaleiros e, ademais, está "orgulloso" da venda de Novagalicia Banco. Así despachou Mariano Rajoy a realidade galega e os seus problemas no Debate do Estado da Nación que se está a celebrar no Congreso e a preguntas da voceira do BNG, Olaia Fernández Davila, que lle recriminou que non fixese referencia ningunha ao sinistro ferroviario e que o seu partido se negase a apoiar unha comisión de investigación sobre a catástrofe. O BNG exixiu ao Goberno unha comisión de investigación sobre o accidente da que nada dixo Rajoy "Unha cousa é o delito penal e outra moi distinta son as responsabilidades políticas, que deben ser abordadas nesta Cámara cunha investigación xustificada nos graves informes que advertían da perigosidade da curva de Angrois ou no auto do xuíz que acusa a Adif de arriscar vidas", espetoulle Fernández Davila, que non recibiu resposta satisfactoria ningunha de Rajoy, que se limitou a asegurar que o Executivo "está traballando con transparencia e dedicación nas investigacións en marcha para saber toda a verdade". O presidente do Goberno presumiu da posta en marcha dunha auditoría ao día seguinte do sinistro, así como das análises para reforzar a seguridade e das respostas de Fomento ou Renfe, pero nada dixo dunha comisión de investigación que seguirá sen celebrarse. Tampouco atopou problema ningún Rajoy na desaparición definitiva do sistema financeiro galego coa venda dos restos das caixas e logo de que a voceira do Bloque acusase o Goberno de "vender a prezo de saldo" e de "non declarar sistémica" Novagalicia Banco para logo "poñela no mercado de forma apresurada e escura". "Negaron a posibilidade dun banco público e, coa súa mala xestión, os contribuíntes perderon 8.000 millóns de euros", dixo Fernández Davila. "Non sei que é o que lle parece mal da venda de Novagalicia Banco", díxolle Rajoy á voceira do Bloque Pero Rajoy presumiu da operación. "Non sei que é o que lle parece mal da venda de Novagalicia Banco", espetoulle á deputada, á que advertiu de que "se perderían os depósitos, os plans de pensións e os fondos de investimento" se non se optase pola venda e si pola liquidación. "Estamos moi orgullosos de que fose así", reivindicou quen nada dixo do feito de que a entidade, ao contrario de Bankia, non fose declarada sistémica, nin ás preguntas da portavoz nacionalista sobre as solucións previstas para os preferentistas ou para os emigrantes retornados. "Compórtanse como aves de rapiña cos débiles mentres son benevolentes cos grandes defraudadores", dixo Fernández Davila. Tampouco reparo ningún puxo Rajoy ás queixas do BNG, que lle transmitiu a "decepción do sector agrogandeiro galego" polo reparto da PAC e pola discriminación do país mentres "se priman latifundios e xente que non vive do agro". O presidente despachou a crítica con cifras que considerou suficientes para o país, ao igual que presumiu dun Goberno "moi activo" na busca de contratos para os estaleiros e no arranxo do tax lease. Rajoy negou que a troika impuxese nada ao Executivo e minusvalorou as críticas da deputada nacionalista: "Non me preocupo moito do que di vostede" Fernández Davila denunciou na súa intervención o "seguidismo compracente" por parte do Goberno central das medidas económicas "impostas pola troika" que "só serviron para arrastrarnos á crise máis profunda". "Todas as reformas supuxeron recortes: nos servizos públicos, nos dereitos, nos salarios e nas liberdades", lembrou a voceira do BNG, que advertiu tamén que todas as reformas laborais do Executivo "converteron España no Estado con peor protección laboral na UE" tras "entregarlle todo o poder á patronal". Rajoy, nun ton nada amable, negou que a troika lle impuxese medida ningunha ao Goberno e preguntoulle a Olaia Fernández se era ela "a mensaxeira". "Estea tranquila; a troika non nos impuxo nada, pero igual lle gustaban máis as súas medidas que as nosas", asegurou. "Non me vou preocupar excesivamente do que diga vostede", lanzoulle o presidente á deputada nacionalista, que instou o Goberno a remodelar o Estado para "dar poder ás nacións" e tras criticar a súa "intransixencia" por non "deixar os cataláns expresarse libremente nas urnas". O presidente tampouco lle contestou e incluso o deputado de UPyD, Martínez Gorriarán, acusouno no Twitter de "perder as formas" coa parlamentaria pola súa "rancia misoxinia". O presidente do Goberno empregou un ton nada amable coa parlamentaria do BNG, o que incluso foi criticado por UPyD Por útlimo, nada respondeu Rajoy do resto de temas que o BNG considera tamén erros, eivas e duras consecuencias das políticas do PP, como "a recentralización de competencias" exemplificada na reforma local, a Lomce ou outras leis, paradigmas "de usurpación e vulneración competencial". A voceira nacionalista tamén censurou que o Executivo "substituíse a liberdade pola opresión" tanto na reforma do aborto como la "represiva lei" de seguridade cidadá, despois de criticar o golpe á xustiza universal, a instauración das taxas xudiciais ou a privatización dos rexistros civís. "Destruíron máis de 1,3 millóns de empregos, estableceron os copagos, reduciron os salarios, as pensións e as bolsas... Fixeron recortes que provocan que os ricos si saian da crise e que os pobres sexan máis pobres", rematou.
NOS_11655
Os contaxios de Covid-19 detectados nas últimas 24 horas volven alcanzar un novo récord, con 755 nunha xornada. De todas as áreas sanitarias, a de Vigo dispárase a 215, tamén a cifra máis alta de toda a pandemia, con 30 máis que no día previo.
Segundo os datos actualizados este sábado pola Consellaría de Sanidade na xornada despois das novas restricións que afectan de forma especial as sete cidades, con rexistros ata as 18 horas de onte, os contaxios detectados tamén ascenderon de maneira importante nas áreas sanitarias da Coruña-Cee, até 130 (+13); na de Lugo, A Mariña e Monforte, até 119 (+69) e en Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, que chegan a 91 (+37). Baixa a incidencia diaria do coronavirus as áreas de Compostela e O Barbanza, con 84 novos contagios (-31), Ferrol, con 64 (-35), e Pontevedra-O Salnés, con 53 (-23). Segundo o último parte, nas últimas 24 horas recibiron a alta médica 363 persoas, o que coloca o total desde o inicio da pandemia en 26.900. Ademais, ata o momento faleceron 910 persoas con coronavirusna Galiza, tras engadirse ao cómputo oito vítimas notificadas na tarde do venres, tres delas, vinculadas a centros da terceira idade. Así, a cifra de casos activos está no total de 8.762, cun ascenso de 399 nun día. Medra de forma notábel o número de contaxios en Vigo, con 1.924 pacientes de coronavirus (+166), se ben todas as áreas rexistran ascensos no número de casos activos. En Lugo, subiron a 894 (+93); en Ferrol, a 807 (+50); na Coruña, a 1.437 (+41); en Compostela, a 1.394 (+27); e en Pontevedra, a 918 (+19). Pola súa banda, Ourense, con 1.397 estabilizáronse ao sumar tres pacientes novos con respecto á pasada sexta feira.
PRAZA_20164
ENTREVISTA | O novo secretario xeral da CIG analiza a actual situación laboral, social e política logo de coller o temón da central nacionalista no congreso da pasada fin de semana.
Paulo Carril foi elixido a pasada fin de semana novo secretario xeral da CIG co 96% de apoio. Colle o temón da central nacionalista e substitúe a Suso Seixo logo de anos de militancia nacionalista e sindical e con experiencia en moreas de conflitos laborais. Claro e directo, analiza a situación política e social en Galicia e no Estado e advirte da recente "transposición da mobilización na rúa á mobilización electoral e, aínda por riba, da forma máis vella e sistémica". "O cansazo na cidadanía e a aparición de partidos que trasladan que neles está a solución fixo descender a mobilización; foi un engano colectivo", di. Por que asume esta responsabilidade? Forma parte do proceso de compromiso que temos as persoas na organización e na que, en diferentes etapas, asumimos unha ou outra responsabilidade. Agora corresponde esta como antes corresponderan outras e mañá, outras; o que o criterio colectivo decida. Non teño outra expectativa que non sexa cumprir un labor no sindicato. "A crise foi dura pero iso non implica resignación nin frustración; ao contrario, a mobilización e o compromiso militante son as ferramentas para saír desta situación" Logo de tantos anos no sindicato e ao pé de tantos conflitos laborais, é esta crise o peor que viviu para a clase traballadora? Hai dúas fases da crise: a primeira, 2009 e 2010, onde vemos con maior clareza as consecuencias e onde se acumulan os despedimentos e peches de empresas; e unha segunda que se manifesta doutra forma igualmente brutal: empobrecemento e a consolidación dun retroceso importante nos dereitos laborais. Tivemos resistencia estes anos ante as ofensivas da reforma laboral e agora estamos noutra fase polo carácter estrutural da crise e pola consolidación de novas formas de explotación e de precarización do mercado de traballo. Isto lévanos a que a forma de actuar sobre todos estes procesos sexa máis lento. As dúas fases foron e son igual de duras e isto non quere dicir que nos provoque resignación, frustración, pensar que non hai alternativa ou sucumbir. Nós, ao contrario, cremos que temos que ter na mobilización e no compromiso militante as ferramentas para saír desta situación. O que si parece é que hai menos mobilización social logo da efervescencia política dos últimos anos. Aquí o capital pegou moi duro. A falla de maior capacidade de organización nos centros de traballo e na clase traballadora ou para acumular forzas á hora de afrontar mellor os problemas nunha empresa ou as consecuencias de decisións dos gobernos do PP provoca que haxa momentos de mobilización máis ou menos álxidos. Ao inicio da crise hai unha explosión, unha gran mobilización na primeira fase da crise e tamén na segunda, a raíz da entrada do PP na Moncloa e de todos os recortes; logo, hai un segundo período onde a acumulación de cansazo na sociedade e a aparición de forzas políticas que trasladan que aí está a solución provoca un descenso dela. Eu creo que foi un engano colectivo. "O cansazo e a aparición de partidos que trasladan que neles está a solución fixo descender a mobilización; foi un engano colectivo" Un engano colectivo? O que se demostra na historia do movemento obreiro é que a capacidade de organización e mobilización é a que che permite afrontar o presente e o futuro. Outra cousa é que teñas unha correlación de forzas máis favorables ou non para que os gobernos diten unhas leis máis ou menos favorables, pero a clave sempre está na mobilización e na organización do pobo. Vémolo nos convenios colectivos: algúns están máis podados que outros en función da menor ou maior acumulación que había neses sectores Con todo, cre que vai ir a máis a mobilización na rúa? O 1º de Maio deste ano, se temos en conta a participación dos últimos exercicios, supuxo un aumento de participación. Hai pequenas mobilizacións que non son tan numerosas como hai anos pero que chaman á esperanza, que demostran que hai futuro. Estamos nunha fase de ralentí pero mellorando. "Houbo unha transposición da mobilización na rúa á mobilización electoral e, aínda por riba, da forma máis vella e sistémica" O cambio que se prevía non foi tanto nin no Congreso dos Deputados nin moito menos no Parlamento galego. Estanse a incumprir as expectativas de moita xente? O problema é cando alguén pensa que o electoralismo e as eleccións políticas poden dar solución a alternativas como as que nós representamos. Nas forzas sistémicas, os cambios electorais son a súa razón de ser, pero pensar que un proceso electoral por si vai traer o cambio requirido, creo que é un erro. Si pode facilitar as expectativas ou darlle máis corpo social a ese proceso de cambio, pero aquí o que houbo foi unha transposición da mobilización na rúa á mobilización electoral e, aínda por riba, fíxose da forma máis sistémica e vella que se puido facer, ao desatenderse a mobilización popular e social como elemento fundamental para acumular xente para o cambio. Quen pense que a través de internet, de non saír á rúa ou de non estar organizado se pode... Quen pense que iso é vello ou non é solución, pois creo que está equivocado. As clases obreiras e populares poderán ter unhas ou outras formas de organizarse, pero non queda máis remedio que organizarse e cos métodos clásicos, non en canto ás formas senón aos contidos. Aquí as formas chegaron a ser máis importantes que o propio contido. "Nin o electoralismo só resolve todo, nin só a mobilización social; a combinación dos dous elementos é fundamental e necesaria" Pero sen unha correlación de forzas favorables nos parlamentos é moi difícil mudar lexislacións prexudiciais para a clase traballadora... Nin o electoralismo só resolve todo, nin a mobilización social en exclusiva o fai. A combinación dos dous elementos é necesaria e fundamental, pero priorizar unha ao respecto da outra ou atender unha desmantelando outra é un erro. Temos o exemplo no panorama sindical: quen pense que no diálogo social ou no pacto social se poden abordar os retos que ten a clase traballadora creo que se está equivocando. A maneira de provocar pequenos avances que sumados fan un grande avance son as pequenas loitas. Cando falamos de folga xeral, facémolo polo que supón mobilizar a sociedade para deixar claro que é posible dar resposta ao que está sucedendo e que non estamos dispostos a consentir novos recortes. Porque eses recortes non se están a reverter desde o Congreso... As forzas da oposición no Congreso son incapaces de poñerse de acordo para deixar sen efecto as reformas laborais e todas as políticas de recortes que houbo. O PP segue asentado no poder, o cal é unha vergonza; e que fai a sociedade ante esta situación? Pois a mobilización terá que empurrar. Se a sociedade non se move, é evidente que os partidos políticos non o fan. Nin pode haber correa de transmisión dunha organización sindical a unha política nin á inversa, pero os parlamentos si que deben ser o altofalante do que reclama a rúa e para iso hai que mobilizarse. E hai que facelo porque o capital tamén se mobiliza. "A oposición no Congreso non é quen de deixar sen efecto as reformas laborais nin os recortes; será a mobilización a que terá que empurrar" Hai condicións para convocar proximamente unha folga xeral? Hai que crear as condicións. Hai quen poderá acusarnos de facer unha proposta que non leva a ningures, pero alguén terá que explicar que alternativa ten a clase traballadora galega se non é a través da mobilización. En Galicia está demostrado que sen mobilización social non existiría nada do que temos, mellor ou peor, como pobo e como clase. As condicións non se crean soas, porque razóns obxectivas hainas, pero a xente debe entender que a vía que ti formulas é a alternativa. Podemos estar equivocados, pero que é máis acorde para defender a clase traballadora? Sentar nunha Mesa de Diálogo Social totalmente desarmado e sen credibilidade nos centros de traballo? Trasladar unha mensaxe de desmobilización? Non será mellor darse a valer un pouquiño? Desde a CIG son moi críticos con CCOO e UGT. Como se explica que, desde a Transición, CCOO e UGT estean sistematicamente instalados no diálogo e no pacto social? Hai quen entende que no diálogo social se pode conseguir algo, pero a patronal conta coa vantaxe de que o neoliberalismo avanzou a unha velocidade brutal, tan brutal que a esquerda vestiu a súa chaqueta e en Europa é máis crible a ultradereita que a esquerda cando hai unha confrontación. Así que, que alguén me diga se nese diálogo social pode haber unha expectativa de cambio. Os dereitos sociais e laborais están cada vez máis recortados e a patronal segue gañando. Se alguén pensa que as faragullas que lles sobran aos ricos van satisfacer a clase traballadora... Engadamos a todo isto que en Galiza tamén temos a colonización da nosa base produtiva e económica, o que o fai todo máis grave e complicado. "A unidade sindical é un desexo que non coincide coa realidade" Os sindicatos insisten en chamar a unha unidade sindical que nunca chega... A unidade sindical é un desexo que non coincide coa realidade. Que é a unidade sindical? Os brindes ao sol? O que pasa en Ferroatlántica cando se chega a un acordo en Galicia e logo en Madrid se asina outro en contra das seccións sindicais de aquí? Todos os sindicatos temos contradicións, nós témolas en Sabón, pero os compañeiros entenden a posición que temos que ter porque decidiron colectivamente cos de Cee e a CIG só achegou os elementos para o debate. Se ti non tes máis compromisos que a xente coa que estás falando, non tes problema ningún; pero cando tes compromisos coa dirección da empresa ou tes mala conciencia, non estás sendo limpo. "A unidade sindical pola unidade sindical é unha estupidez e sería un retroceso; sempre é boa pero outra cousa distinta é para que" Pero é factible esa unidade sindical? A unidade sindical xa se dá onde se ten que dar, na negociación de convenios colectivos e en moitos sectores. Pero como pode unha organización sindical unificar unha reivindicación cando o 1º de Maio a CIG sae esixindo recuperar os dereitos e UGT e CCOO saen pedindo que a patronal sente e asine o acordo estatal de negociación colectiva? Pero se cada vez que se filtra algo do que están a negociar dá pánico. Quen prolonga a vida da reforma laboral son estes acordos. Unidade sindical cando queiran porque sempre foi boa e é necesaria, pero outra cousa é para que. A unidade pola unidade é unha estupidez enorme e sería un retroceso. E se fosemos a unha unidade sindical e UGT e CCOO chegasen a un acordo coa patronal en Madrid? Quen lexitimaría iso? En nome de quen falan? Se logo aquí, na dinámica real, as franquías de UGT e CCOO non aguantan o recado de Madrid onde nós temos forza porque rachan co marco de negociación colectiva. Ademais, é antidemocrático e inxusto porque nos trasladan realidades diferentes ás de aquí. Hai exemplos de unidade en moitos sectores, como di... Non hai ningún problema coa unidade sindical. Ferroatlántica é a unidade sindical plena e dura, ata o extremo de que a CIG se disolveu no comité de empresa. Nós non temos voz no conflito, téñena os traballadores. A unidade do nacionalismo tamén é un desexo? A unidade do nacionalismo sindical xa existe. E logo a CUT? A CUT ten uns parámetros diferentes aos que temos nós en canto á autoorganización do pobo galego e da clase traballadora. Eu non reparto credenciais de nacionalismo pero xulgo pola práctica que están a ter, tanto na cuestión nacional, ao participar en plataformas estatais e contraditorias coa autoorganización, como na acción sindical, onde deixan moito que desexar nalgúns lugares onde teñen representación. Con nós nada teñen que ver nese aspecto, onde están máis achegados a outras organizacións. Xa que logo, cre que o nacionalismo volverá estar unido ou non? Nós podemos achegar a nosa experiencia na CIG, onde temos clara a necesidade da cohesión e unidade en base a un ideario de clase incuestionábel e cunha idea nacional arredor da autodeterminación e da soberanía que queremos para Galiza. Aquí podemos ser exemplo, non con ánimo de fachenda ningunha, senón como forma de exemplificar que é posíbel a convivencia desde formulacións diferentes. A esta altura, tamén se ve claro que aquelas formulacións políticas que compatibilizaron o nacionalismo co non nacionalismo provocan que Galiza perda. Pero entre os afiliados da CIG hai moitos militantes ou votantes de Anova, FPG ou Podemos, que participan nesas experiencias de unidade popular, e non só do BNG... A nosa vinculación co BNG é ideolóxica e nós formamos parte do movemento sociopolítico nacionalista, pero organicamente non temos dependencia de ninguén e xa se demostrou amplamente nos últimos anos. Somos nacionalistas pero cadaquén pode ter a militancia política que queira, outra cousa son as contradicións que lle poidan xurdir a cadaquén, pero iso é un problema individual, non un problema que afecte a organización. "O nacionalismo non pode organizarse con forzas políticas de obediencia española... É imposible. E non o digo eu, estase vendo" En resumo: cre que a segregación do nacionalismo en Galicia ten data de caducidade? Os que abriron a vía de entender que eran posíbeis formulacións políticas entre organizacións nacionalistas e as que non o son teñen xa unha experiencia e creo que Galiza perde como suxeito político e que as clases populares galegas non teñen expresión. Estámolo vendo todos os días. Terán que ser aqueles que tomaron decisións nese sentido os que dean pasos para ver, xunto ao resto de forzas nacionalistas, que camiño poden andar xuntas. Na CIG somos capaces de ter unha convivencia arredor duns principios, aínda que a militancia poítica nalgunhas persoas, na miña opinión, non sexa acorde; pero eu respéctoo. Os que andaron aquel camiño terán que ver se o desandan ou non pero pensar que o nacionalismo ou a reivindicación de Galicia pode organizarse ou disolverse con forzas políticas que teñen obediencia española... É imposible. E non o digo eu, estase vendo. A irrupción de novas forzas políticas puxo no debate a plurinacionalidade e o dereito de autodeterminación. É unha mudanza importante? Vivimos no momento da pornografía política, onde hai organizacións que se definen dunha forma e actúan doutra ou que teñen unhas prácticas que non son acordes co que din que defenden, e isto non é cuestión de persoas. Eu non entendo posíbel outra forma de recoñecer os dereitos nacionais de Galiza que non sexa a través da autoorganización, ben sexa na vía sindical, política ou social. É a miña opinión persoal, pero creo que non é posíbel. Un non pode ser a media xornada: ou é a xornada completa e integramente ou non o é. Un é galego ao 100% e exercer de galego é selo con todas as consecuencias. Eu non xulgo a ninguén, só creo que as prácticas teñen que ser consecuentes co que se defende. Isto pasa tamén no mundo sindical: ti non podes defender unha proposta que non sexa críbel. "Vivimos na era da pornografía política: hai organizacións que se definen dunha forma e actúa doutra" Houbo un descenso xeral na afiliación sindical nos últimos anos. Estase a recuperar? A caída afiliativa a nós non nos vén pola nosa práctica sindical, senón polos efectos da crise: pola perda de moitos postos de traballo e pola perda de poder adquisitivo que provocou axustes nos gastos en cada casa. Levamos dous anos recuperando afiliación, paramos a caída e estamos aumentando o número de afiliados. Andamos perto dos 70.000. En que pode mellorar a CIG nos últimos anos? Temos resolto, e levámolo aplicando xa varios anos, que precisamos mellorar nos métodos de traballo. Debemos organizar mellor o contacto cos centros de traballo, as visitas ás empresas e o coñecemento do que alí sucede para ser capaces de organizar pero tamén de dar alternativa aos problemas. Hai unha serie de liñas de actuación que nos custa poñer en marcha, esa presenza nos centros de traballo debe ser máis áxil, máis desburocratizado. Ademais, temos afinada e asentada a nosa formulación como sindicato de base, asembleario, combativo e de contrapoder e preocupado pola independencia económica. Estes son os retos para manter o potencial dunha organización sindical como a nosa. "Un modelo sindical como o da CIG non se pode manter sen un debate constante e sen concienciar a xente do que queremos facer" Precísase moita concienciación? Un modelo sindical como o noso non é posible mantelo sen un debate constante, sen concienciar a xente do que queremos facer, de por que facemos as cousas e de por que as facemos como as facemos. Estes son os grandes retos que temos. Algúns son retos derivados das circunstancias actuais e outros de eivas que temos que mellorar. Buscamos manter este corpo no que a xente estea minimamente ideoloxizada, no sentido de que axude a facer a CIG e asuma que o que estamos facendo entre todos e todas é o que temos que facer. Houbo un cambio xeracional na dirección. Inflúe en algo de cara ao futuro da CIG? O cambio xeracional implica que a construción que moitos fixeron para levar este proxecto ata onde está e evolúa cos tempos. Do mesmo xeito que se construíu esta organización até este nivel de presenza e afiliación, buscamos que se poida manter no futuro, pero no aspecto programático e de modelo sindical, será máis do mesmo. Afortunadamente, é e será máis do mesmo.
NOS_36787
A artista maxiar Mariaan Maráy recibiu o galardón pola obra O can de Milu, nun acto que tivo lugar no Pazo de Raxoi e ao que asistiron, entre outros, o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e o editor de Kalandraka, Xosé Ballesteros.
Quen non soñou, sendo un cativo, con ter un canciño de seu? Un amigo para toda a vida, con quen facer falcatruadas, ir de paseo e xogar toda a tarde á volta da escola. Ese era tamén o anhelo de Milu, unha neniña á que lle gustaban os cans. Todos. Altos, baixos, gordos ou fracos, pequenos ou grandes. Un bo día, Milu atopou abandonado na rúa un bechiño grande e peludo, ao que adoptaría e chamaría Peluso. Pero Peluso non era un can calquera... Ese é o postulado inicial de O can de Milu, a obra gañadora da XII edición do Premio Compostela de Álbum Ilustrado. Escrito e debuxado pola húngara Mariaan Maráy e traducido por Manuela Rodríguez, a artista maxiar recolleu o premio desenvolvido conxuntamente por Kalandraka e o Departamento de Educación do Concello de Compostela nun acto que tivo lugar no Salón Nobre do Pazo de Raxoi. Maráy, que realizou a súa intervención na súa lingua nai, definiu O can de Milu como "unha historia de amor", e revelou que o libro está baseado nunha noticia real acontecida na China que leu non xornal. Ademais, fixo unha piscadela á editora do volume, sinalando que no seu idioma natal Kalan significa aventura, que é o que viven as protagonistas da súa obra. O editor e co fundador de Kalandraka, Xosé Ballesteros, destacou a paleta de cores empregada por Mariaan Máray, así como o seu estilo naif, e cualificouna de "herdeira dunha longa estirpe de ilustradores maxiares". Instantes despois Ballesteros protagonizaría o momento máis emotivo do evento, emocionándose ao lembrar o desaparecido Xosé Manuel Rodríguez Abella, pedagogo municipal e xefe do Departamento Municipal de Educación, desde o que impulsou xunto con Kalandraka a Campaña de Animación á Lectura e o propio Premio Compostela de Álbum Ilustrado. Xosé Antonio Sánchez Bugallo tamén se uniu á improvisada "homenaxe" a Rodríguez Abella, nas súas propias palabras. O alcalde de Santiago de Compostela, que foi o encargado de pechar o acto, resaltou a "calidade" do álbum editado por Kalandraka, declarouse "amante dos animais, en especial dos cans" e explicou que sen eles "a nosa vida sería infinitamente máis pobre".
NOS_37049
O empresario mellorou a súa oferta inicial.
O fundador de Blusens, José Ramón García, sería nestes momentos a facerse con Editorial Compostela, propietaria do medio de comunicación El Correo Gallego e Radio Obradoiro, despois de que decorrese a pasada semana a poxa da compañía. 'El Correo Gallego', xa á venda: o xulgado afirma que hai varias entidades interesadas Neste sentido, a proposta económica de ACCA Media S.L. e Blecua Capital S.L., socios de García, tería agora mesmo máis opcións de ser aceptada definitivamente pola xuíza instrutora do caso que a presentada por Prensa Ibérica, grupo editorial de medios como, entre outros, Faro de Vigo e La Opinión. Nun primeiro momento, o fundador de Blusens presentara unha oferta nos xulgados para facerse directamente coa propiedade de Editorial Compostela. Porén, despois de que a maxistrada optase por unha sistema de venda por poxa, o García viuse obrigado a aumentar a súa oferta. O CPXG exixe á Editorial Compostela o pagamento dos salarios debidos ao persoal de 'El Correo Gallego' Xunto a Jose Ramón García, Miguel Ángel Tobías (ACCA Media S.L.) e Luis Enrique Dueñas Fernández (Blecua Capital S.L.) son as caras visíbeis desta oferta. Dueñas Fernández foi, durante moitos anos, unha das principais fontes de financiamento do empresario José Luis Moreno, acusado de presuntos delitos de extorsión e corrupción. Problemas coa xustiza José Ramón García tamén mantén vínculos coa xustiza, aínda que no seu caso por cometer actuacións irregulares. En 2018, a Audiencia da Coruña ordenara a inhabilitación do empresario para exercer cargos de administrador ou apoderado en empresas durante un ano e medio por defraudar 800.000 euros na declaración do IVE da filial de compras de Blusens. Ademais, foi detido en marzo de 2018 no marco da operación relacionada cun receptor da firma tecnolóxica que facilitaba o visionado de contidos "pirata". O fundador de Blusens, posíbel comprador de 'El Correo Gallego' A Fiscalía chegou a pedir para o fundador de Blusens un ano de cadea e unha multa de 3.200 euros por un delito contra a propiedade intelectual, mais as partes -a empresa que subministraba contidos de pago e o compostelán- chegaron a un acordo. Resoltas as citadas causas, García é hoxe propietario de Visualiza Business, unha sociedade de investimento da quen fan parte un total de 20 empresas vinculadas, na súa maior parte, ao mundo tecnolóxico. Segundo declara na súa conta de Linkedin, totaliza "facturacións acumuladas superiores aos 500 millóns de euros" nas empresas fundadas por el.
NOS_40589
Falamos ás portas do 25 de Xullo con Joam Peres, membro da dirección de Causa Galiza e unha das nove persoas imputadas na 'Operación Jaro'. Desbota derrotismos e pesimismos para incidir no independentismo como a chave que abre a porta a unha outra Galiza. "Un segundo ciclo de autonomismo sería un suicidio para o país", sostén.
- Causa Galiza volve convocar ela propia un Día da Patria após o obrigado parón de 2016 pola 'ilegalización' de facto decretada pola Audiencia Nacional. Como estades a perceber a resposta á convocatoria no mundo do independentismo e mesmo no do nacionalismo? - Lograr a supervivencia dun gromo de proxecto político independentista despois do sucedido nos últimos cinco anos, cunha presión policial e xudicial importante e un fluxo significativo de xente cara a vida privada e a "antipolítica", é algo que, en si mesmo, se podería considerar un pequeno éxito. Máis aínda cando a montaxe política e xudicial da que somos obxecto continúa. Como se recibe a convocatoria? Entendo que cando menos en círculos de base do nacionalismo hai un recoñecemento a esta capacidade de resistencia e continuidade. No mundo independentista as cousas son máis complexas: tamén existe esta percepción, mais hai un escepticismo xeneralizado sobre a posibilidade de asentar un proxecto e unha estratexia independentistas solventes. É unha barreira a superar, levará o seu tempo e non é tarefa sinxela, mais niso estamos. A forte implicación de xente nova na campaña deste Día da Patria apunta a que o vamos lograr. - Convocades en solitario após facer un chamamento a BNG e Anova para un Día da Patria conxunto, chamamento que non chegou a bo porto - Un ano máis, contactamos co Bloque e Anova para partillar unha lectura da situación que integraba o esgotamento do ciclo autonómico, a avaliación negativa do mesmo e a inutilidade de reeditalo, a independencia como único estatus que pode materializar a nosa soberanía e, por tanto, a necesidade de estratexias e tácticas críbeis neste sentido. Alén da lectura, propuxemos unha mobilización unitaria nestes parámetros. O obxectivo foi inviábel porque nin Causa Galiza ten hoxe a capacidade de "tracción" necesaria para condicionar a posición destas forzas nacionalistas, nin estas -desde a nosa óptica- están por abrazar a perspectiva independentista na práctica, porque optan por combinar unha retórica rupturista ocasional cunha praxe "posibilista" que visa a reforma do Estado. - Un 25 de Xullo baixo parámetros independentistas e de rexeitamento de vías autonomistas e federalistas. Unha aposta, a independentista, que se mantén -con máis ou menos presenza, máis ou menos explícita, con maior ou menor apoio- desde as primeiras convocatorias do 25 de xullo. Porén, a capacidade de convocatoria é 'modesta', así como a súa introdución social. Como se pode cambiar isto? - Máis que incidir na minorización, que penso é unha ladaíña improdutiva, destacaría outros parámetros máis positivos: a reivindicación independentista, como reclamación estratéxica, aínda estando minorizada, encóntrase en máximos históricos de apoio social en Galiza. Percíbese socialmente e, se nos fiamos de certas prospeccións demoscópicas oficiais, é unha opción que contempla como asumíbel o 11% da poboación galega. A reclamación do dereito de autodeterminación é aceptada formalmente por case 40% da mocidade. Son chamativos estes dados nun país onde o independentismo é minoritário e as opcións nacionalistas hexemónicas apenas axitan o debate sobre o estatus político da nación. Por último, hoxe todas as organizacións xuvenís nacionalistas asumen cando menos formalmente o independentismo. Isto supón, ao meu modo de entender, unha mudanza xeracional que é máis significativa aínda se temos en conta que nos últimos 40 anos se priorizou unha política de xestión e procura do "encaixe cómodo" máis que unha política de conflito político e concienciación. Falaría dun movemento minorizado mais con moito potencial imediato de crecemento. Como mudar esta minorización? Descoñezo cal é a receita. O que si sabemos son os elementos imprescindíbeis da mesma: organización, militancia, compromiso, estratexia, intervención social sistemática e planificada, fortalecemento programado da conciencia nacional, superación do ideoloxismo infantil, etc. O esencial para avanzar xa está "inventado". En calquera caso, a "fórmula" para superar a residualidade nunca é evitar a exposición pública do programa que se defende, nin ir ás rebaixas alegando que "o pobo non entende". - Camiño das catro décadas de autonomía, que lectura fai CG do 'autogoberno' ao longo de todos estes anos? - O primeiro que se debera dicir é que nunca existiu tal. Cando unha administración carece de competencias para fixar as portaxes dunha autoestrada, establecer a cota de sardiña que se pesca no país, ordenar o mapa financeiro nacional ou regular o mercado laboral, é imposíbel falar de autogoberno. Trátase, máis ben, dun simulacro. Por outra parte, é notorio que estatus colonial e autogoberno son conceptos antitéticos. Dito isto, o balance do ciclo xúlgase por si mesmo na continuidade do espolio, a catástrofe demográfica, a situación sociolingüística, a realidade socioeconómica, a degradación ambiental, etc. Nestes 40 anos, España gaña por goleada: debilita estratexicamente as bases materiais e inmateriais do proxecto nacional e fai embarrar importantes sectores nacionalistas no imaxinario posibilista que acredita que a mera xestión do marco autonómico pode salvar este país. O avance social do independentismo aínda non é capaz de contrarrestar estas tendencias. Repetir un segundo ciclo autonómico, aplicando receitas que se evidenciaron falidas, sería suicida. - O modelo territorial do Estado español, saído da Transición, atravesa un importante desafío impulsado polo proceso catalán. Porén, non semella que Galiza represente preocupación algunha neste sentido para o Estado. Mesmo os diferentes discursos favorábeis a unha reformulación territorial do estado falan da necesidade de 'dar cabida' ás realidades nacionais vasca e catalá. A galega xa nin sequer se contempla, non existe no debate político estatal. Nun escenario así, non é o independentismo un 'radicalismo estéril'? - Galiza, se non é unha "preocupación" para o Estado, é porque está lonxe de ser un problema e porque carece da tensión social independentista suficiente para ser abordada como tal. Lograr isto esixiría apostas e enerxías que van moito para alén de procurar unha "voz galega en Madrid". Nesta cuestión, hai unha disxuntiva clara entre formular un nacionalismo que se laia por humillacións e agravios comparativos e reclama "trato digno" -que presupón un Estado e unha relación de subordinación-, un "novo encaixe" en España ou a imposíbel "convivencia entre iguais", ou un nacionalismo que trabe e teña como norte crear as condicións para soltar amarras. Acredito que na relación entre nacións, como noutros ámbitos da vida, o respecto é algo que se gaña pola vía dos feitos máis que algo que se pedicha. Galiza débese facer respectar con feitos máis que con "peticións". Sobre a segunda cuestión: o que é "estéril" é reincidir en apostas fracasadas como a autonomista. Se aceptásemos a tese de que é inútil apostar por formulacións minoritarias ou minorizadas nun momento dado, en 1964 non se constituiría a UPG; en 1968 non se celebraría o primeiro Día da Pátria na clandestinidade desafiando a ocupación militar e policial; a CIG, probabelmente, nen existiría, porque as fundadoras e fundadores do SOG de 1975 renunciarían á "quimera" dun sindicalismo nacionalista e aínda non existirían formulacións políticas explicitamente independentistas. O propio avance do independentismo neste país, aínda que sexa como amorfo estado de opinión, é inexplicábel sen aludir a organizacións e persoas que actuaron como independentistas en contextos ben máis difíceis que o noso. Eses momentos e esas decisións "minoritarias" fixeron que este país siga vivo, que teñamos de que enorgullecernos como pobo e que o presente sexa mellor que o que estaba programado ou era imaxinábel. O independentismo, para alén do apoio social que concite, xamais será "estéril" porque é a única opción para que este país teña futuro. - Qué diferenzas existen entre a perspectiva do BNG e a de Causa Galiza frente á eventualidade dun proceso de reforma constitucional e a posición da Galiza nese proceso? - Desde 2012 o BNG evolucionou, cando menos, discursivamente, cara posicións "máis soberanistas" e "máis de esquerdas" na súa práctica social. Tamén é obvio que se neste país existe algunha forza política nacional con militancia, incidencia social e territorial, capacidade de resistencia en contextos difíceis, etc., esta é o BNG. Neste punto, o independentismo podería aprender moito en determinados aspectos. Recoñecida esta realidade, tamén parece certo que a dirección do BNG, que é consciente coma nós de que neste momento non hai condicións para a ruptura co Estado español, se acolle a este feito para optar á futura reforma do marco e adiar sine die a definición e execución dunha estratexia de ruptura e creación das condicións materiais e inmateriais que a viabilicen. No fondo, nos feitos, séguese a soñar co "encaixe cómodo", ou "máis cómodo", encanto se fala en abstracto de soberanismo e ruptura para contentar os máis esixentes. Hoxe, na nosa opinión, as propostas de "mellora autonómica" -o recoñecemento nominal da nación, a elevación e blindaxe do teito competencial, a nova relación fiscal co Estado, etc.- son inviábeis porque a correlación de forzas existente as imposibilita e porque a intensidade do noso conflito nacional fai innecesarias "cesións" por parte dun Estado que aposta forte na centralización como estratexia de supervivencia. Ademáis, esa política non construe músculo independentista. Parece irrisorio que a posibilidade de obter "máis autonomía" dependa, afinal, de dispor de máis tensión independentista e de desafiar politicamente a España do xeito que sexa posíbel en cada etapa. Por último, penso que falar de "mellora autonómica" nin é sinónimo de máis soberanía, nin é demostrábel que como pedagoxía de masas sexa máis efectivo que falar dun estatus político independente. Se realmente a perspetiva e a pedagoxía de fondo de certos sectores fose independentista, a reacción frente ao nenguneo do parlamento autonómico no tema da AP-9, por exemplo, sería moi distinta da que é. Dito todo isto, que debe facer e propor o independentismo frente ao horizonte da reforma do réxime? A tarefa prioritaria, agora, é reorganizarse politicamente, dotarse de estratexia e introducir sen complexos no debate social as ideas forza da irreformabilidade do Estado español e da independencia nacional como única concreción posíbel da soberanía e única solución á desfeita social actual e futura. A nosa é unha perspectiva a medio e longo prazo que, se acertamos na práctica, se vai ver alimentada polas propias circunstancias. - Estes últimos anos foron de importantes cambios e transformacións no campo do independentismo político, con organizacións que se disolveron, outras que naceron e outras que tiveron que reformularse. É posíbel unha organización unitaria do independentismo galego? - Máis que da unidade orgánica, que é algo que carece de credibilidade, deberíamos falar de definición dun proxecto político e dunha estratexia independentistas con perspectiva a medio e longo prazo. Se no pasado recente pensabamos que o problema a resolver era a superación dun escenario definido por unha constelación de nanopartidos que se proclamaban independentistas e pugnaban entre si, creando un proxecto rupturista abranxente, hoxe, cando o mapa da situación é outro moi distinto, o reto é na miña opinión construir un proxecto independentista amplo, definir a súa estratexia de construción nacional e social e de conflito con España e, sobre todo, demostrar capacidade e gañar a lexitimación e o recoñecemento de centenas e millares de independentistas galegas e galegos. - Causa Galiza volve ser unha organización legal após meses de suspensión de actividades decretada pola AN. Como afectou á organización? Como é a situación actual dos 9 independentistas que continúan encausados na 'Operación Jaro'? - A Audiencia Nacional prorrogou recentemente 18 meses máis a investigación iniciada en outubro de 2015 e as imputacións de "pertenza" e "enaltecemento" impostas a nove militantes na operación contra Causa Galiza. Vamos por tanto camiño de tres anos neste limbo xudicial e vital, cando un proceso destas características se resolve habitualmente en moito menos tempo. Existe aparentemente vontade política por parte do Estado para prolongar a situación de interinidade, sabendo das consecuencias negativas de todo tipo que esta carrexa. Nesta dirección, e no mesmo período temporal da prórroga, o tribunal político abriu unha Operación Jaro II contra militantes que traballan na solidariedade cos presos e presas independentistas. Da nosa óptica, a finalidade é simples: seguir a satanizar socialmente a nosa posición política para mantela desorganizada e en niveis residuais, erosionar persoas e organizacións, impor un certo terror selectivo de baixa intensidade e encerrar o independentismo organizado nun bucle eterno onde protexerse dos golpes se converta na única ou principal actividade quando o noso obxectivo é facer política independentista, participar na conflitividade social, concienciar sobre a necesidade de romper con España, etc. Como afecta todo isto a unha pequena organización como a nosa? Os danos foron significativos, afectaron sobre todo á subxectividade das persoas e acho que recoñecelo non é nengún síntoma de debilidade. Mais de todo este proceso aínda en curso eu ficaría cos aspectos positivos: fortaleceu as convicións de moitas e moitos de nós, aumentou a referencialidade pública da organización e visibilizou a inexistencia dun marco real de liberdades democráticas. Penso que a previsión feita polo Ministerio de Interior no seu día era a extinción de Causa Galiza por esgotamento e a disolución da súa militancia nun estado de opinión independentista cada vez máis amplo, mais inorgánico. As cartas aínda se están a xogar e ese horizonte non é imposíbel. No entanto, con modestia e prudencia, penso que tivemos a capacidade colectiva necesaria para resistir e logramos dar a volta ao discurso do Estado ante a prática totalidade dos colectivos e organizacións do país. Aí están as mais de 1000 pessoas mobilizadas en duas convocatorias, os 80 axentes sociais e políticos que denunciaron a montaxe policial e xudicial, ou o manifesto asinado por máis de 600 persoas. Vistas as circunstancias e os recursos cos que partíamos e o nivel de infiltración social do discurso oficial, estes resultados non me parecen en absoluto desprezábeis e o próximo Día da Patria evidenciará unha tendencia ao ascenso.
PRAZA_6629
Lanzan un manifesto que chama a conformar unha candidatura cidadá para as municipais baseada na transparencia, a participación veciñal no deseño das políticas locais e no control destas, a defensa dos servizos públicos, o ben común e o medio ambiente.
Cada vez son máis os cidadáns e cidadás que se lanzan a facer política. Na Mariña, un grupo de veciños e veciñas de Ribadeo vén de lanzar un manifesto (que publica o xornal local Crónica3) que chama a conformar unha candidatura cidadá para as municipais baseada na transparencia, a participación veciñal no deseño das políticas locais e no control destas, a defensa dos servizos públicos, o ben común e o medio ambiente. O propio texto enmarca a iniciativa no contexto de movementos que en Galicia e en España xorden da "necesidade de que a cidadanía participe e controle de xeito real a xestión dos asuntos públicos". Sinala así mesmo que "a nosa iniciativa non vai dirixida contra ninguén, non responde ao interese de ningún partido ou grupo político político concreto, nin é excluínte. Está aberta a todas as persoas que comparten as nosas preocupacións pola situación actual". O manifesto denuncia o control dos gobernos por parte dos poderes financeiros, a corrupción, a socialización da débeda, os recortes de servizos públicos e de liberdades e sinala que "ante esta situación, pretendemos que a veciñanza deixe de ser un suxeito pasivo que se limite a entregar cada catro anos un cheque en branco a un partido político controlado por un grupo de profesionais da política". "Son necesarias novas formas democráticas, transparentes e participativas, dirixidas realmente á procura do ben común", engade. Os asinantes do manifesto anuncian que están a constituír unha Plataforma Cídadá que "integre e mobilize a aqueles que consideren que os intereses das persoas deben estar por diante dos intereses de grupos económicos ou partidarios, e queiran construír de xeito cooperativo un modelo coherente e sostible para o noso concello". A plataforma busca "concretarse" nunha Candidatura Cidadá para participar nas eleccións municipais de 2015, baseada na "total e efectiva transparencia informativa na xestión do goberno local", a "participación veciñal no deseño das políticas locais e no control destas", a "erradicación de calquera sinal de clientelismo ou nepotismo da Casa do Concello". E loitando por "unha sociedade máis xusta e solidaria, dando prioridade ao ben común sobre o interese privado ou partidario", a defensa da liberdades, a supresión dos privilexios, a defensa do carácter universal, gratuíto e de calidade dos servizos públicos e a salvagarda do patrimonio natural e cultural.
PRAZA_19815
Máis de sete de cada dez galegos e galegas decláranse crente, pero entre eles e elas menos da metade vai a misa algunha vez | Só o 27% dos e das contribuíntes entrega parte dos seus impostos á Igrexa | As vodas civís case triplican as relixiosas | O alumado de Relixión caeu 20 puntos nunha década
Galicia segue a ser un país maioritariamente crente e católico. E é nestes días de Semana Santa cando esa relixiosidade faise máis presente. Porén, malia que unha maioría dos galegos e galegas aínda se definen como católicos e católicas, a plasmación desa crenza na súa vida cotiá -á vista de varios indicadores- é cada vez máis pequena. A porcentaxe de católicos e católicas en España é, segundo o CIS, do 68,4%, 16 puntos menos ca no ano 2000. Nese tempo as proporcións de non crentes e ateos e ateas máis que se duplicaron e hoxe chegan -sumadas- ao 26% do total. Por debaixo dos 25 anos, a porcentaxe de non crentes e ateos e ateas (50%) xa supera ao de católicos e católicas (44%). E entre os 25 e 35 anos (41%) achégase moito (52%). O CIS ofrece datos galegos ata o ano 2012. Nese momento a porcentaxe de pobación católica era do 80% (75% no conxunto de España), descendendo dende o 88% de 2005. Ademais, había grandes diferenzas por idade, situándose a proporción de católicos e católicas por debaixo de 45 anos no 70%, superando o 85% entre os 55 e os 65 anos e acadando o 94% por riba dos 65 anos. O número de persoas que se definen como católicos e católicas descende de forma paseniña pero constante. Mentres, a porcentaxe de practicantes, aqueles e aquelas que van a misa e outros actos relixiosos con regularidade faino con moita máis rapidez. Segundo esa mesma estatística do CIS, entre ese 68% de crentes españois e españolas, seis de cada dez (o 62%) nunca vai a misa; e só o 15% faino todas as semanas. No 2005, a metade dos católicos e católicas españolas acudía á igrexa con certa frecuencia e máis do 20% facíao todos os domingos. En Galicia -no 2012- o 51% dos católicos e católicas recoñecía non ir nunca a misa, o dobre que no ano 2001 (26%) Esta relación cada vez menos estreita coas institucións e ritos católicos déixase ver con claridade, tamén, no número de persoas que todos os anos casan pola igrexa. Os matrimonios relixiosos (2.523 en 2015 en toda Galicia) son hoxe unha minoría con respecto aos exclusivamente civís (6.593), unha tendencia que continúa en 2016, á vista dos datos do primeiro semestre. No ano 2000, en cambio, houbera 9.279 vodas católicas e 2.676 civís. As declaracións da renda amosan isto de forma aínda máis clara, aínda que neste caso non se advirte unha tendencia clara (de ascenso ou descenso dos apoios á Igrexa Católica) nos últimos anos. No 2015 tan só o 27% dos e das contribuíntes galegas escolleron achegar o 0,7% dos seus impostos á Igrexa, 7,6 puntos por debaixo da media española. E, igualmente, cada vez son menos os alumnos e alumnas que cursan a materia de relixión nos centros de ensino de Galicia. Na última década a súa porcentaxe caeu en case vinte puntos, tanto en Primaria (do 89,5% ao 72,9%), ESO (do 69,8% ao 50,3%) coma no Bacharelato (do 52,7% ao 33,1%). A porcentaxe de alumnado que en Galicia escolle a materia de Relixión en Primaria sitúase lixeiramente por riba da media estatal (69,1%), aínda que isto é debido en boa medida a que os datos vasco (43,9%) e catalán (34,4%) rebaixan notablemente a taxa global española.
PRAZA_17092
O PP veta a comparecencia do presidente da Xunta e ve "absurdo" e "irresponsable" que a oposición a reclamase despois de que a consultora KPMG reiterase que "en ningún caso" o seu informe sobre a unión de Caixanova e Caixa Galicia era "unha auditoría" nin avalaba a operación, como mantivo o Goberno galego HEMEROTECA | 27/6/2013 KPMG nin fixo unha auditoría nin avalou a fusión das caixas
HEMEROTECA | 27/6/2013 KPMG nin fixo unha auditoría nin avalou a fusión das caixas Alberto Núñez Feijóo non comparecerá no Parlamento de Galicia para explicar de xeito monográfico por que tanto el mesmo como a ex-conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, xustificaron o impulso da Xunta á fusión de Caixanova e Caixa Galicia esgrimindo unha "auditoría" da consultora KPMG que "avalaba" a operación cando realmente o informe, polo que a Xunta pagou arredor dun millón de euros, "en ningún caso" era unha auditoría nin "recomendaba" que ambas entidades se fusionasen. Despois de que un dos autores dese estudo reiterase no Congreso o que xa evidenciara oralmente e por escrito hai cinco anos, o PP vetou este martes a comparecencia que toda a oposición reclamaba. O presidente terá, non obstante, que falar do asunto por iniciativa de En Marea e BNG. Ante o xa anunciado bloqueo á comparecencia por parte dos populares, que consideran a esixencia de explicacións un "irresponsable" exercicio de "arqueoloxía" parlamentaria oito anos despois da fracasada fusión e cando xa transcorreron cinco anos dende que transcendera por primeira vez que a suposta auditoría non era tal, os grupos parlamentarios que encabezan Luís Villares e Ana Pontón trasladarán a cuestión á sesión de control ao presidente. O PP, censura Villares, teima na "mordaza e ocultamento de información", agora para "impedir" que o presidente teña que explicar polo miúdo por que "mentiu", acusa. Luís Villares: "Prestámoslle a carteira a un mentireiro e perdeu 8.600 millóns de todos os galegos" "Estamos fartos das mentiras do presidente da Xunta", sinalou Villares ao remate da Xunta de Portavoces da Cámara, amosando ante a prensa o comunicado no que, o 20 de xaneiro de 2010, o Goberno galego asegurou que a "auditoría" encargada a KPMG "avalaba" a fusión. Feijóo xa tivo que "recoñecer" ao seu xeito que o dito "era mentira", sinala o voceiro de En Marea, o que implica que "lle prestamos a carteira a un mentireiro" quen "perdeu 8.600 millóns de todos os galegos e galegas", en referencia ao importe do rescate de Novagalicia Banco que non foi recuperado. Ana Pontón: "A falsificación dun máster provocou a caída de Cifuentes e aquí o PP pretende que metamos o lixo por baixo da alfombra Tamén Pontón avanzou que empregará a sesión de control para preguntar a Feijóo "por que mentiu e enganou a toda Galiza" empregando unha "auditoría pantasma para xustificar unha decisión que custou 9.000 millóns de euros" públicos para "rescatar unhas entidades vendidas despois a prezo de saldo". Nesa pregunta -que, segundo fontes parlamentarias, incomodou os representantes do PP na Xunta de Portavoces pola súa redacción- a líder do Bloque advertirá tamén de que o seu grupo está a estudar accións legais ao respecto para valorar se puido existir "un delito de falsidade documentale prevaricación". O PP ve "irresponsable" a petición de comparecencia, que asinaba toda a oposición, e atribúea á vontade de "xerar confusión" sobre a unión das caixas "Acabamos de ver como a falsificación documental dun máster provocou a caída de Cristina Cifuentes en Madrid" e "ante unha suposta falsificación dunha auditoría que nos fixo perder 9.000 millóns de euros e as caixas de aforro, o PP pretende que metamos o lixo por baixo da alfombra", afirma a líder nacionalista. "Que lles quede claro: imos facer todo o que estea nas nosas mans para chegar ao fondo e airear as alfombras das mentiras e corruptelas de Feijóo", advirte Pontón. Despois de que tamén o PSdeG lamentase o "veto" do PP á solicitude de comparecencia formulada por toda a oposición o voceiro conservador, Pedro Puy, atribuíu a petición, "fondamente irresponsable" ,a unha vontade dos tres grupos da esquerda por "abrir procesos de debate absolutamente afastados da realidade para introducir algún tipo de confusión" sobre a fusión das caixas. Neste contexto, Puy resalta que o informe de KPMG foi "un dos oito que dixeron naquel momento que a fusión era viable" -aínda que é o único sufragado pola Xunta" e "está neste Parlamento dende hai varios anos". Nomeadamente, dende 2013 cando, reprocha, "foi entregado aos medios, incumprindo as normas", di en referencia á decisión de facelo público por parte do antigo grupo de AGE. Francesc Gibert, executivo de KPMG coautor do informe sobre a fusión, no Congreso dos Deputados
PRAZA_1290
Medio cento de persoas recibiron en Bueu o 'Marianne', a primeira embarcación da frota que navega rumbo a Palestina en contra da impunidade de Israel e contra o bloqueo sobre a Franxa. O Concello recibe a tripulación nuns actos que continúan o domingo cunha gala artística.
Medio cento de persoas recibiu este sábado ao mediodía o barco Marianne de Gothengurg en Bueu, a primeira embarcación da Terceira Flotilla da Liberdade que empezou a navegar rumbo a Gaza. Bandeiras palestinas, galegas e pancartas de solidariedade e en contra da impunidade de Israel recibiron a tripulación no peirao da vila ao berro de "Palestina vencerá". O 'Marianne' foi recibido por medio cento de persoas en Bueu, cuxo Concello recibiu a tripulación Unha vez atracado o barco, os tripulantes da frota foron recibidos no Concello de Bueu polo seu alcalde, do BNG, e un membro da comunidade palestina, no primeiro dos actos que se celebran con motivo da presenza do Marianne e que culminarán coa gran gala artística deste domingo organizada por Pallasos en Rebeldía. Logo da recepción, o capitán do barco, Joel Opperdoes, e os activistas ofreceron unha rolda de prensa xunto co rexedor de Bueu, Félix Juncal. Opperdoes destacou que "Gaza non espera que levemos axuda humanitaria. A Flotilla da Liberdade é unha acción de solidariedade entre pobos ademais dunha medida de presión política aos gobernos occidentais para que poñan fin á súa colaboración co bloqueo israelí". A 'Flotilla da Liberdade' parte coa "clara intención" de acabar co bloque israelí á Franxa de Gaa O capitán do Marianne asegurou que despois de oito anos de bloqueo son "os únicos" que actúan e que por iso volven partir "coa clara intención de acabar" con el. Ademais, respecto da carga sinalou que "o barco leva paneis solares e equipamento médico como carga simbólica, pero máis aló diso o barco en si mesmo é a verdadeira carga, ao tratarse dun buque de pesca, xunto á solidariedade". Juncal, pola súa banda, expresou o seu apoio á causa palestina e obsequiou os tripulantes con obxectos representativos da cultura galega que viaxarán ata Gaza. Os actos con motivo da presenza do Marianne continuarán durante a fin de semana, ata culminar coa gran gala artística do domingo organizada por Pallasos en Rebeldía en colaboración con Rumbo a Gaza, BDS Galiza, o Concello de Bueu e Culturactiva SCG. A festa será na Praza Massó e comezará ás 13 horas do domingo coa actuación do clown Peter Punk. A partir das 20 horas o espectáculo continuará coas actuacións musicais de Uxía e Narf, a Banda de Gaitas Manxadoira, Najla Shami e Pandeiromus; a intervención da escritora bueueira Lucía Novas; e o humor de Nabiza Girl e Circo Chosco. Haberá pasarrúas dende as 19:00 horas co grupo Ameaça de Bombo. Os actos pola presenza do 'Marianne' continuarán toda a fin de semana e culminará coa gala do domingo Durante a tarde do sábado fixéronse visitas guiadas ao barco e levouse a cabo un faladoiro con activistas da Flotilla da Liberdade e BDS Galiza para coñecer un pouco máis de perto a situación de bloqueo imposta por Israel ao pobo palestino. O Marianne continuará coa súa ruta cara Gaza e seguirán realizándose actividades de apoio á iniciativa ao longo das próximas semanas. Os días 11 e 12 de xuño terán lugar en Madrid e Barcelona, respectivamente, dúas galas de apoio á III Flotilla da Liberdade, organizadas polo colectivo Pallasos en Rebeldía e nas que participarán Juan Diego Botto, Leo Bassi, Pepe Viyuela ou Mr. Kilombo, entre outros. Deste xeito, Rumbo a Gaza segue apostando pola cultura como canle de denuncia das atrocidades que Israel comete sobre a poboación palestina así como de recadación de fondos económicos. A organización xa recadou máis de 12 mil euros que foron achegados a través dunha campaña de micromecenazgo. Ana Miranda (BNG) acompañará como pasaxeira a tripulación do barco ata Lisboa Como xesto simbólico de apoio, a secretaria de Política Internacional do BNG, Ana Miranda, acompañará como pasaxeira á tripulación do Marianne ata o porto de Lisboa na súa travesía ata Gaza, a parada anterior á que seguirá en Andalucía, para logo continuar polo Mediterráneo. O obxectivo do BNG é "espertar a conciencia da sociedade en todos os lugares do planeta, en particular nos países con capacidade para plantar cara a Israel nos organismo internacionais, e obrigarlle a poñer fin a un bloqueo que está a converter gran parte dos territorios palestinos nun campo de concentración con ocupación militar, ao que se suma a política de apartheid que practica o goberno de Tel-Aviv coa estratexia sistemática dos asentamentos ilegais".
NOS_20023
Desde abril, a Plataforma Sarriana polo Río agarda resposta de Feijóo á petición dunha xuntanza.
A Plataforma Sarriana polo Río non está conforme co "silencio administrativo" de Feijóo e, por iso, vén de anunciar que iniciarán o percorrido polo Camiño de Santiago desde Sarria o vindeiro 5 de xullo para chegaren ás portas do despacho do presidente da Xunta en San Caetano para solicitarlle, xa en persoa, seren recibidos. Nunha carta aberta dirixida a Feijóo, a Plataforma Sarriana polo Río faino partícipe da nova mobilización que responde á falta de resposta por parte do goberno galego. Desde que en abril lle dirixiron unha carta ao presidente da Xunta reclamando unha xuntanza para explicarlle a súa posición con respecto ás obras no río, continúan tendo, como única resposta, unha carta do director de Gabinete no que explica que o proxecto ten como obxectivo "diminuír o risco de asolagamento no núcleo urbano". O interese xeral e as preguntas Os membros da plataforma consideran que a resposta da Xunta, en boca do xefe do gabinete do presidente, Álvaro Pérez, esquece que o lugar onde se está a desenvolver a obra non ten risco de asolagamento, que non afecta ao cauce da auga nos puntos inundables e que, o interese xeral, queda en cuestión coa desprotección do patrimonio natural, cultural e histórico que mostra o goberno galego nesta operación. "O interese xeral está a ser defendido en Sarria polos cidadáns e pola Xustiza, que o pasado 11 de abril confirmou a paralización da corta do bosque de ribeira como medida cautelar, desestimando o recurso interposto pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil", explican na súa carta na que desbotan o "interese xeral" ao que alude o xefe de gabinete de Feijóo e acusan á Consellaría de Cultura e á de Medio Ambiente de continuar "de brazos cruzados, abandonando de maneira escandalosa as competencias que en materia de protección e conservación do patrimonio natural e cultural de Galicia teñen atribuídas". Para a xuntanza con Feijóo, que contan conseguir despois de se plantar nas portas do seu despacho unha vez camiñado desde Sarria polo Camiño de Santiago, teñen varias preguntas para a orde do día, unha delas irá sobre o dereito de acceso á información e á xustiza en materia de medio ambiente, dereitos que entenden negados ao non obter resposta ás súas solicitudes. Preguntaranlle tamén as razóns de que a Dirección Xeral do Patrimonio máis a Dirección Xeral de conservación da Natureza non teñen aberto un procedemento sancionador á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil despois das denuncias que a Plataforma presentou por infraccións graves e múltiples. Levan tamén unha batería de preguntas para se interesar polos plans do goberno para protexer os restos que están a ser descubertos, a ponte de orixe medieval e outros elementos patrimoniais.
QUEPASA_626
Dumbría mellorará os accesos e incluirá unha pérgola como zona de ocio nas inmediacións da Fervenza do Ézaro.
O ano pasado foi a auténtica estrella da nosa Semana Santa. Pero este ano, durante as datas de festa, unha das épocas de maior impacto turístico do ano, a Fervenza do Ézaro non poderá lucir como nos ten acostumado. As importantes obras de construcción da pasarela de accesibilidade impedirán un dos meirandes espectáculos da comarca. Unha obras, formadas por 2 proxectos de case un millón de euros, que transformarán a contorna. Ademais da mellora do acceso, en clave de accesibilidade, realizarase unha pérgola-praza cuberta, que permitirá dotar dun espazo que sirva de antesala ao espazo natura, coa creación de puntos de venta temporal. A fervenza convertirase nunha "área de ocio e descanso, desde a que se pode contemplar a inusual beleza da zona e, ata, tomar un refrixerio ao aire libre, servindo de ámbito de reunión e de actividades culturais propias do concello".
NOS_37534
O 26 de xaneiro de 2016 o Parlamento galego deu luz verde á toma en consideración da ILP, respaldada por 17.000 asinaturas. Fíxoo, alén do máis, por unanimidade. Mais até hoxe. A lei está aínda por tramitar. Así o denunciaron quer o seu grupo promotor quer o BNG, que esta quinta feira mantiveron unha reunión no Pazo do Hórreo.
Na xuntanza estiveron presentes a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o secretario xeral da CIG, Suso Seixo. Concordaron en denunciar o que cualifican de "secuestro" da ILP por parte do goberno galego. A responsábel nacionalista en materia de Industria, Noa Presas, afirmou en comparencia perante os meios que a inacción da Xunta á hora de desenvolver esta iniciativa lexislativa contrasta coa "celeridade" coa que se move á hora de axilizar outras normas, como no caso da recente modificación da Lei de Acompañamento aos Orzamentos, modificada sen pasar polo correspondente debate parlamentar. Presas anunciou aínda que o BNG vai urxir o comezo o "procedemento ordinario para tramitar a lei" visando que "no prazo de tres meses a ILP poda ser aprobada no Parlamento galego". De acordo coa parlamentar, o mes de marzo abondaría para se realizaren as comparecencias de persoas expertas na materia, en abril podería substanciarse o trámite das emendas e en maio a lei podería ser aprobada polo Pleno do Parlamento. Segundo a ILP, estaría en situación de "pobreza enerxética" aquela unidade familiar que destina 10 por cento dos seus ingresos a pagar os recibos da luz ou gas A ILP defende unha tarifa eléctrica galega -coa redución en 30 por cento das portaxes no sistema eléctrico na Galiza-, alén dunha bonificación como territorio produtor e excedentario de enerxía, ben como a asunción por parte do Goberno galego do recibo da luz das persoas en situación máis vulnerábel. Consideraríase en situación de "pobreza enerxética" aquela unidade familiar que destina 10 por cento dos seus ingresos a pagar os recibos da luz ou gas e non consiga manter a súa vivenda entre 18 e 21 graos. No debate, decorrido xa no tramo final da pasada lexislatura, BNG, AGE e grupo mixto amosaron o seu respaldo á totalidade da ILP, non así o PSdeG quen, por boca de Abel Losada, deixou ver os seus reparos perante "algúns plantexamentos nacionalistas". Por súa parte, o PP (Hipólito Fariñas) dixo estar de acordo "con moitos preceitos" da iniciativa, embora "non así con outros"
PRAZA_6973
CxG celebrará este domingo no Hotel Scala de Padrón o seu I Congreso Nacional baixo o lema Galicia en positivo. 52 candidatos e candidatas optan a conformar o Consello Político Nacional da formación
Compromiso por Galicia celebrará este domingo no Hotel Scala de Padrón o seu I Congreso Nacional baixo o lema Galicia en positivo. Renovaranse os órganos de dirección e sometaranse a debate varios documentos, entre eles o político, onde se establece a estratexia da formación cara as eleccións municipais. Xoán Bascuas é o único candidato á Secretaría Xeral da organización galeguista. Na súa carta de presentación, Bascuas afirma que se presenta "porque coñezo o camiño que fica por facermos xuntos e sei da dificultade que implica. Porque sei que ese mesmo camiño conduce ao mellor para o noso país e porque quero protagonizar esa esperanza de futuro con vós". Engade que se presenta "porque ben sei que non buscades un líder mesiánico, senón que entendedes que un secretario xeral non é outra cousa máis que o voso primeiro servidor. Porque apreciades o valor da palabra dada na política e sabedes que o traballo é o único esforzo válido e útil para a construción de Compromiso". Conclúe que "desexo asociar o meu futuro político e persoal ao futuro deste partido, sabendo que a vosa ilusión e a miña son a mesma; porque sempre que caín no desalento atopei apoio en vós, e porque a miña perseverancia é froito da nosa vontade de ser". 52 homes e mulleres serán candidatos ao Consello Político Nacional (CPN) 52 homes e mulleres serán candidatos ao Consello Político Nacional (CPN). A elección farase mediante listas abertas "con métodos de corrección que garantan unha votación limpa e no que órgano saínte sexa fiel reflexo da nosa organización", sinalan dende CxG. Unha vez escollido o CPN, o secretario xeral terá que realizar unha proposta de Executiva que deberá ser referendada posteriormente polo Congreso. O acto de clausura será ás 19 horas, e nel están convidadas organizacións sociais, sindicais, profesionais ou políticas, como o PNV, PP, PSOE, BNG, Anova, IU ou Cerna. Araúxo lembrou que o Congreso "ditaminará formalmente" a fórmula e os mecanismos de concorrencia ás eleccións municipais A pasada semana, Sandra Araúxo, Secretaria de Organización de Compromiso, destacou que "este Congreso terá un evidente compoñente municipal, unhas eleccións que son as máis apegadas á cidadanía e onde poderemos amosar que a nosa forza política vai medrando pouco a pouco". Ademais, salientou que "a aposta polas primarias abertas á cidadanía para a escolla de candidatos e o noso compromiso coa transparencia serán un dos nosos principais piares". De igual xeito, Araúxo lembrou que o Congreso "ditaminará formalmente" a fórmula e os mecanismos de concorrencia a estas eleccións municipais, "onde acordamos empoderar de capacidade de decisión ás nosas Agrupacións Locais", engadiu.
PRAZA_14720
Alternativa Galega de Esquerda ateiga o Palexco da Coruña e anima a votar a coalición para "non aturar nin tres días máis" o Goberno do PP e "para quitarse de enriba os fillos do franquismo e de Fraga". "A partir do domingo, esta situación vai rematar", asegura un optimista Beiras.
Coa música dos Diplomáticos soando de fondo, rapaces sacando o zapato para tirar fotos xunto aos carteis e a xente apurando para coller os poucos sitios que quedaban libres, Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz volveron ateigar aforo no último mitin de campaña na Coruña. Houbo xente que volveu quedar de pé ou incluso fóra do recinto. Recollendo os folgos sumados durante os últimos quince días, Alternativa Galega de Esquerdas rematou confiada a caravana electoral e agardando a que a boa acollida popular se transforme tamén nun resultado electoral positivo. "Agora case podo dicir que imos paralos e que imos desaloxalos", asegurou Xosé Manuel Beiras, cabeza de lista de AGE, optimista de cara aos comicios do vindeiro domingo e alerta cunha Xunta a que acusou de "destruír todo o conseguido co Estatuto". "Hai que desaloxalos porque eres non pagaron as débedas", insistiu o líder de Anova, que lembrou o discurso Alba de Gloria de Castelao. "A rebelión cívica vai lograr acabar con este réxime podre e comezar un novo ciclo histórico neste país que se chama Galiza" que se baseará "na clase obreira e traballadora, na esquerda transformadora", dixo. "Non podemos permitir que esta situación dure máis, nin tres días máis", insistiu, logo de denunciar "o expolio" e a "analfabetización" imposta pola dereita en Galicia. "A partir do domingo, isto vai rematar", manifestou. O número un pola Coruña volveu defender a coalición entre EU e Anova como "ferramenta" para conseguir o principal obxectivo, "que non é outro que desaloxar o PP do Goberno galego e recuperar o rol sobranceiro da Cámara de representantes". Ademais, recordou como "Fraga decapitou a Cuiña por orde de Rajoy para darlle paso ao señor Feijóo, que viña de privatizar Correos e da man de Romay Beccaría". "Aquel mesmo que se negou a gardar dous minutos de silencio polos mortos da guerra de Irak", lembrou. "Agora case podo dicir que imos paralos e que imos desaloxalos", advirte Beiras "Os títeres de Merkel, os infames de San Caetano marcharán", engadiu Beiras, que manifestou que "a campaña xa está feita". "Só algunhas das misións imposibles foron feitas posibles", advertiu, convencido de que desta vez o que semellaba tan complexo -evitar a maioría absoluta do PP- está máis preto e tras animar a cidadanía coruñesa a rememorar a súa tradicións "galeguista, nacionalista e republicana". "Está a apodrecer o poder lexislativo cando Merkel e Sarkozy impoñen unha reforma constitucional que evita que o Parlamento faga os orzamentos necesarios para a cidadanía", comentou Beiras, que acusou o Goberno do PP de "converter o Estado español nun protectorado alemán". "Que se prepare Feijóo porque imos ter iniciativa no Parlamento, pase o que pase", aclarou. Yolanda Díaz animou a votar a AGE para "quitarse de enriba os fillos do franquismo e de Fraga" Por outra banda, Yolanda Díaz, número dous pola Coruña, manifestou que AGE "está a facer historia", tras animar a votar a AGE o domingo para "quitarse de enriba os fillos do franquismo, de Fraga e de Franco" logo de destacar a "revolución" que na campaña supuxo a irrupción da coalición de esquerdas. Ademais, destacou o "apoio da mocidade" á súa formación o que, na súa opinión, axudará a "consolidar" a Alternativa Galega. "O domingo a mocidade ten que darlle unha patada no cu a Feijóo e a Rajoy", insistiu Díaz, que volveu a advertir "da situación excepcional" e do "golpe de estado contra a democracia" que supón "que gobernen os mercados, Merkel, o FMI e o BCE". "Queremos gobernar este país porque queremos democracia", insistiu. "Feijóo está derrotado politicamente, pero agora imos derrotalo electoralmente", dixo a número dous de AGE, que advertiu que a coalición quere ser "a esquerda do futuro, a que escoita o 15M e a todos os homes e mulleres que se manifestan no país". "Non hai democracia sen sanidade pública, sen servizos públicos e sen educación pública" "Temos que transformar a indignación en votos, temos que encher as urnas de votos para a Alternativa Galega de Esquerda", animou Díaz, que asegurou que a coalición "non é clase política, senón que fai política". "Estamos cos de abaixo, coa xente do común", engadiu, logo de destacar que "non hai democracia sen sanidade pública, sen servizos públicos e sen educación pública". "O fascismo é a violencia que agora están a exercer contra os de abaixo con recortes para que as elites sigan vivindo como reis", insistiu, tras amosar o seu convencemento nun gran resultado o domingo. Pero non chega a entrada no Parlamento, que en AGE dan por segura. "Botar fóra democraticamente" o PP do Goberno é o obxectivo dunha coalición que logrou reunir no Palexco coruñés un público variado, no que se mesturou xente nova -tan nova que moitos deles nin tan sequere teñen idade para votar- como veteranos que amosaron a ilusión do cambio con idéntico fervor que o xoves en Vigo e o mércores en Compostela. Por outra banda, Mariluz Canal, número seis da lista pola Coruña, animou a votar para acabar co Goberno do PP e para "facer do Parlamento galego a casa da cidadanía", reafirmando "o compromiso" expresado por AGE de "dar voz ao pobo". Ademais, Antón Sánchez, outro dos candidatos pola provincia coruñesa, destacou que "a Feijóo lle costa moito durmir desde hai uns días". "Oe unha música de piano que cada vez se achega máis", dixo en referencia ás críticas que Feijóo verteu sobre Xosé Manuel Beiras, tras advertir de que "hai que botar os insípidos". "Non finalizamos aquí o noso traballo, a rebelión cívica continuará; hoxe só rematamos a campaña", advertiron os diversos representantes de AGE, que saíron da Coruña con bastantes máis ánimos e folgos que hai quince días e coa constatación de que poden ser decisivos. Iso é o que pensan.
NOS_42209
Milleiros de persoas participan nos actos convocados por Queremos Galego por todo o país. Na Coruña a música foi a protagonista, que tivo referencias ao conflito do profesorado Celga, namentres en Santiago enterraron desexos para a lingua que recuperarán en 2050. Masiva afluencia en Vigo, con 3.000 persoas e fortes críticas a Feijóo. Vídeo no interior.
Festa e reivindicación. O Día das Letras Galegas volveu ter o seu mellor escenario nas rúas, onde milleiros de persoas se xuntaron nas mobilizacións convocadas pola plataforma Queremos Galego, nas que se celebrou a lingua propia, pero tamén se denunciou a aqueles que queren afogala. Porque o futuro pasa pola cultura. A galega. Ese foi a mensaxe central do acto que tivo lugar na Coruña, un dos oito convocados -nas sete cidades e en Foz- aos que se uniron algún máis improvisados fóra do país, por exemplo en Barcelona, e nos que se pediu "un paso adiante" para o idioma propio. "O teatro central da nosa cidade leva o nome de Rosalía de Castro, aquí foi designado Curros Enríquez como poeta do pobo", sinalou o cantante Xurxo Souto, que exerceu de mestre de cerimonias da concentración na cidade herculina, diante do recinto mencionado e que reuniu medio milleiro de persoas. Os discursos combativos mesturáronse alí coa música, de diversos estilos, dende o jazz ao rock pasando, por suposto, pola tradicional, onde Moncho do Orzán puxo a bailar a toda a rúa, incluídos turistas que por alí andaban, para que logo digan que o idioma propio resulta unha barreira para @s visitantes. Xurxo Souto: a Xunta, secuestrada pola galegofobia Esas visións "provincianas" foron denunciadas desde o micrófono, onde Souto lamentou que a Xunta "estea secuestrada pola galegofobia", críticas que tamén trasladou ao goberno local de Carlos Negreira, que a poucos metros facía campaña -alleo a toda a significación da data- xunto á vicepresidenta do goberno de Rajoy, Soraya Sáez de Santamaría. O alcalde da Coruña facía campaña con Soraya Sáez a poucos metros do acto de Queremos Galego, totalmente alleo ao Día das Letras O recordo a Luísa Villalta ou a referencia ao aniversario bravú tamén atoparon un oco nun acto no que foron especialmente aplaudidas ás mencións ao conflito do profesorado Celga. Un dos afectados polo mesmo participou da lectura do manifesto de Queremos Galego para este Día das Letras, no que se afirma que "o tempo actual non é propicio para a existencia de Galiza e do seu signo principal, a lingua galega, porque a globalización pretende arrasar con toda diferenza que ouse desafiar a hexemonía do imperial dominante. Non os imos compracer. Non temos a menor vontade de suicidio nin de resignación". Tres milleiros de persoas acudiron á manifestación convocada pola plataforma en Vigo, con grande peso reivindicativoe onde estivo a candidata europea do BNG, Ana Miranda, que protestou pola "política lingüicida de Feijóo" e apostou no uso do galego "tamén en Europa". Centos sumáronse noutras partes do país. Con moitos actos, alén dos culturais adicados á figura de Díaz Castro ou a venta de libros galegos na rúa. Suso de Toro sinalou que o futuro do galego "pasa por reintegrarse internacionalmente co portugués" Por suposto, Compostela tamén acolleu unha mobilización masiva, na que participaron sindicalistas como Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, @s principais líderes de AGE -Senra, Díaz e Beiras, que cualificou a Feijóo como líder "da brigada de demolición da lingua"- e na que falou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, que pediu "galego os 365 días do ano". Especialmente simbólico foi a intervención que organizou a escola Semente nesa mesma cidade, onde se enterrou unha cápsula cos desexos para a lingua de varias persoas, que será recuperada en 2050. Entre os que alí escribiron estaba Suso de Toro, que defendeu que o porvir da lingua propia pasa por "reintegrarse internacionalmente xunto ao portugués". Tamén participou o ex-presidente da Mesa, Carlos Callón, que lle pediu a Feijóo "respecto" pola cultura do país que preside, en alusión ao ocorrido nun programa de televisión onde o titular do goberno autonómico dixo o que o inexistente 'Poemas Gallegos' era o seu libro preferido de Rosalía, talvez confundíndoo con 'Cantares Gallegos'.