ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_38615 | O xefe da Policía recoñece "delitos sexuais de forma masiva" e anuncia un equipo especial para investigar os feitos. | Grupos coordenados de homes, sobre uns mil, acosaron sexualmente ducias de mulleres na Noitevella no centro da cidade alemá de Colonia, segundo informou a policía xermana. Os varóns congregáronse nas proximidades da estación de comboios de Colonia e aproveitando as celebracións de Fin de Ano, organizáronse en grupos e cometeron "delitos sexuais de forma masiva" e, como mínimo, unha violación, sinalan as forzas de seguridade, ademais de roubos masivos. Xa se presentaron 90 denuncias en Comisaría por estes feitos, mais a policía considera que esa cifra vai ir en aumento. Wolfgang Albers, xefe de Policía, recoñeceu que eran delitos "dunha dimensión totalmente nova". O ministro de Xustiza alemán, Heiko Mas, exixiu que se investigase se estabamos perante "unha nova forma de criminalidade organizada". O ministro dixo que houbo homes que agrediron sexualmente mulleres e outros que "sen participar activamente, formaron corredores para que non puidesen fuxir". O Ministro do Interior, T. Maiziere, solicitou que non se fagan "elucubracións perigosas e inxustas" asociando agresores con refuxiados, despois de que algunhas voces indicasen que eran "árabes ou do norte de África", algo que non se confirmou oficialmente. A Policía informou que creou un grupo especial para investigar estes feitos que, unha vez que saíron á luz, deron pé a que desde Hamburgo tamén aparecesen denuncias de mulleres que foron vítimas de "tocamentos" após ser rodeadas por grupos de homes. |
NOS_45208 | Na xornada na que se prevé a saída da factoría viguesa do vehículo número 12 millóns, CIG e CUT chamaron a se mobilizar contra as desmesuradas cargas de traballo e elevado ritmo de produción e a facer fronte ás coaccións da empresa. | Nesta terza feira prevese que saia da factoría PSA Citroën de Vigo o vehículo número 12 millóns. Motivo polo cal o presidente do grupo visita a planta viguesa acompañado de cargos do goberno galego. E unha xornada que CIG e CUT queren aproveitar para evidenciar a 'tiranía e ditadura' da competitividade que leva a que se establezan ritmos de produción demenciais ou elevadas cargas de traballo. Os paros convocados na planta viguesa de PSA Peugeot Citroën terán lugar esta terza feira de 9.00 a 11.00 horas na quenda de mañá, de 17.00 a 19.00 na de tarde e de 2.00 a 4.00 na de noite, xa na madrugada do día 6. Mais a empresa, indican as dúas centrais, adicouse a exercer ameazas e coaccións sobre as e os operarios para que non secunden os paros, no que é, lembran, unha vulneración do dereito á folga. Por iso CIG CUT anunciaron que presentarán unha denuncia nos Xulgados contra a dirección de PSA Peugeot Citroën de Vigo. Como exemplo desa actuación, citaron a nota que repartiu a empresa na que sostén que os paros son convocados por "unha minoría" e que ten "carácter abusivo ao estenderse dúas horas en cada quenda de traballo", ao tempo que advirte que "aquelas persoas que participen de forma activa na convocatoria poderían verse afectadas polas consecuencias dunha posible declaración de ilegalidade da mesma". A isto engádenlle o feito de que os encargados/as dos distintos departamentos están a realizar enquisas entre o persoal para saber quen vai secundar ou non a protesta, algo que atenta contra a liberdade de folga. Esta folga por horas foi rexeitada polo resto de sindicatos con representación no comité (SIT-FSI, UGT e CCOO). CIG e CUT entenden que hai motivos de abondo para protestar: as altas cargas de traballo e os elevados ritmos de produción; a posta en marcha do Plan de Presentismo 2015; o desequilibrio das xornadas laborais, con casos nos que se traballa seis días á semana e unha media de nove horas diarias; o incremento desproporcionado das retribucións da dirección; e a presión psíquica á que se somete os traballadores coa aplicación de medidas desproporcionadas a nivel disciplinario. |
NOS_42636 | O responsábel na Galiza do ICEX (España Exportación e Inversións), vinculado ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, asegura que algunhas empresas comezan a notar as consecuencias desta enfermidade. | O ICEX (España Exportación e Inversións), vinculado ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, admitiu onte que se detecta unha certa "ralentización" nas relacións comerciais entre Galiza e a China a consecuencia do coronavirus. Os sectores máis afectados na exportación, segundo este organismo, serían o téxtil e o alimentario. En relación ás importacións as principais compras da Galiza na China son de electrónica de consumo e pequenos aparatos eléctricos. Sergio Prieto, responsábel do ICEX na Galiza, confirmou esta circunstancia aos medios de comunicación nun encontro con empresarios en Vigo e fixo un chamamento á "calma" e á "prudencia" porque "aínda é cedo" para analizar o impacto do virus nesas actividades industriais. "Non hai datos oficiais", asegurou, mais si "impresións" que trasladan as propias empresas e as autoridades portuarias. Sen achegar moitos datos concretos, aseverou que "a nivel de exportación vemos unha caída na demanda da China, que é normal pola baixada do consumo, mais tamén unha pequena caída nas importacións de provedores, que están a parar pedidos a expensas do que poida pasar". O representante do ICEX na Galiza lamentou que se dese esta circunstancia nun momento en que, na súa opinión, "as relacións comerciais entre Galiza e China estaban medrando". Para Sergio Prieto "é unha mágoa, porque China ten moito potencial a nivel exportador, e na Galiza comezabamos a incrementar as exportacións con ese país", aseverou. No mesmo encontro, o secretario xeral da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galiza, Enrique Mallón, tamén recoñeceu que a crise do coronavirus "empeza a notarse" en cuestións como a acumulación de materiais ou a xestión de compoñentes de automoción, así como noutras actividades como as misións comerciais. "Hai unha ralentización do negocio normal, e agardamos que isto se arranxe cedo porque, se non é así, habería consecuencias relevantes", incidiu. Recoñece que as medidas adoptadas polo coronavirus "están a afectar á industria galega", especialmente en ámbitos como a automoción ou a maquinaria. ERE en Trèves Por agora poucas son as empresas que tomaron medidas laborais diante desta situación. Unha das primeira podería ser a auxiliar da automoción Trèves que estuda a aplicación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE) ao seu cadro de persoal pola falta de pezas na fabricación de compoñentes procedentes do mercado chino. A medida da empresa, provedora da factoría PSA Citröen de Vigo, afectaría a 148 traballadoras e traballadores. |
NOS_28167 | A xeneralización dos plans de pensións de emprego privados. | O 24 de marzo, o ministro Escrivá presentou no Pleno do Congreso a Lei de regulación para o impulso dos planes de pensións de emprego (LRIPPE). O Bloque Nacionalista Galego defendeu unha emenda á totalidade que só conseguiu o apoio de Compromís, CUP, EH-Bildu, ERC e Más País-Equo. A Comisión Europea esixe aprobar a lei antes do 30 de xuño. O preámbulo da LRIPPE declara dous obxectivos: facilitar o aforro para a vellez, especialmente entre as rendas medias e baixas, e a mocidade; e xerar recursos para investir e aumentar a capacidade produtiva. Para cumprilos o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Inmigración impulsará a creación de fondos de promoción pública e depósito e xestión privadas. A análise dos fondos de emprego xa existentes mostra que a lei premiará o aforro dos salarios máis altos, alimentará a desigualdade social e converterá cotizacións sociais en activos financeiros que nutrirán o poder dos grandes investidores capitalistas. Para facer viábel a privatización desviará recursos públicos ás finanzas e ás rendas máis altas. Os fondos de emprego producen desigualdade No Estado español existen dous millóns de contas de plans de pensións de emprego anteriores á LRIPPE. Segundo datos do Ministerio de Asuntos Económicos correspondentes a 2020, en dúas de cada tres contas as achegas foron de cero euros e o 6% dos partícipes sumaron o 58% das aportacións e polo tanto das deducións fiscais. O Banco de España describe o beneficiario-tipo dos plans de emprego: home (61%), de 47 anos, con estudos superiores, dunha empresa de máis de 500 traballadores ou das Administracións Públicas. Entre 250.000 empresas galegas só 168 teñen máis de 250 empregos, e apenas 68 máis de 500. O ministro Escrivá sinala como modelo as Entidades de Previsión Social Voluntaria (EPSVs) do País Vasco. O Departamento de Economía e Facenda informa que, no mesmo ano, en máis de 1 de cada 3 contas das EPSVs non se fixo ningunha entrada e que o 9% das persoas partícipes, 1 de cada 11, realizaron o 50% das contribucións e desgravacións fiscais. En Geroa, a EPSV do sector privado de Guipúscoa, 171.000 partícipes (o 61%) ingresaron cero euros, fronte a 110.000 que si desembolsaron algunha cantidade. O 65% das persoas partícipes son homes o que indica un moi forte nesgo de xénero. O salario medio dos altos directivos do IBEX-35 en 2021 foi de 4,21 millóns de euros, 76 veces o salario medio das súas empresas e 300 veces o SMI No sistema público de pensións todas as traballadoras e traballadores en situación de alta cotizan cada mes a cantidade correspondente ao seu salario e deducen o importe íntegro da base impoñíbel do IRPF. O salario medio dos altos directivos do IBEX-35 en 2021 foi de 4,21 millóns de euros, 76 veces o salario medio das súas empresas e 300 veces o SMI. O sistema público de pensións reduce enormemente esta desigualdade xa que relación entre a pensión máxima e a pensión mínima de xubilación é de 4,4/1. Concluímos que a LRIPPE reproducirá a desigualdade salarial e incrementará as disparidades na vellez. Os fondos de emprego alimentan a financierización As cantidades deducidas das nóminas crearán fondos que serán depositados e xestionados por entidades privadas, bancos, compañías de seguros e fondos de investimento e convertidas en capital financeiro que servirá para intensificar a explotación ou converter salarios e pensións en rendas. Elkarkidetza, a EPSV do funcionariado vasco, Geroa e o fondo de pensións de Bankia posúen participacións en Healthcare Activos Yield Socimi que constrúe hospitais e residencias de xeriatría e obtén beneficios dos baixos salarios que paga ás auxiliares de clínica e persoal sanitario. Blackstone, a segunda xestora mundial de activos financeiros e o primeiro caseiro global, posúe no Estado español máis de 30.000 vivendas, entre elas 2.000 de protección social privatizadas por Ana Botella cando era alcaldesa de Madrid. Persegue unha rendibilidade anual do 20% mediante desafiuzamentos, acordos forzados de dación en pago e violentas subas dos alugueiros. Unha parte importante dos capitais baixo control de Blackstone procede de 177 fondos de pensións, entre eles os dos empregados públicos de Nova York, Texas ou California. As empresas que fagan achegas aos plans de emprego poderán aforrar até 400 euros anuais por traballador en cotizacións á seguridade social Desvíos de fondos públicos para as finanzas privadas Para avanzar na privatización das pensións, a LRIPPE desviará fondos públicos aos sistemas privados mediante dous mecanismos. Primeiro, as empresas que fagan achegas aos plans de emprego poderán aforrar até 400 euros anuais por traballador en cotizacións á seguridade social. Segundo, os importes deduciranse na base impoñíbel do IRPF até un máximo de 10 mil euros beneficiando os salarios máis altos e aumentando a regresividade do imposto. Futuros Gobernos de dereita intensificarán o desvío de recursos, até configurar un sistema dual como os xa existentes en saúde e ensino. O descenso de ingresos da seguridade siocial servirá, entón, para xustificar a necesidade de reducir a taxa de substitución das pensións iniciais e aproximarnos ao modelo proposto polo BM en 1994, pensións públicas modestas complementadas con fondos privados de capitalización. |
NOS_51947 | Entre 2007 e 2018 arderon no distrito forestal XIV Verín-Viana un total de 43.741,95 hectáreas de terreo, converténdoo no máis afectado polos incendios dos 19 nos que se divide Galiza. Uns datos que se repiten desde inicios de século nunha área que concentra grandes incendios forestais, unha espiral que acelera a marcha da poboación e mais a degradación do territorio. | Un "deserto negro". Así describe veciñanza do concello de Monterrei á pegada que deixaron as lapas que, até onte, calcinaran máis de 720 hectáreas de terreo. O distrito forestal de Verín-Viana suma ademais os incendios de Verín e os de Viana do Bolo, con máis de mil hectáreas arrasadas a piques de rematar o primeiro mes da temporada de alto risco. "A nivel de distrito a tempada comezou tranquila", explica a Nós Diario o bombeiro forestal e xefe de brigada neste distrito, David López Fernandez. Porén, nas pasadas xornadas encadeáronse sucesivos incendios. Alén das condicións meteorolóxicas propicias e ausencia de precipitacións, a demora nos labores de limpeza de biomasa por mor da Covid-19 favorece a expansión de lumes nestes meses. O historial do distrito forestal XIV Verín-Viana dá conta das particularidades desta área. Abrangue os municipios de Castrelo do Val, Cualedro, a Gudiña, Laza, a Mezquita; Oímbra, Riós, Verín, Viana do Bolo, Vilardevós e Vilariño de Conso, que entre 2007 e 2018 sumaron un total de 5.017 incendios, nos que arderon 43.741, 95 hectáreas de terreo, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE). "Diríamos que estamos resignados e á vez enfadados porque sabemos que isto non é a primeira vez que pasa na nosa zona e, moi tristemente, somos conscientes de que vai seguir pasando", sinalou Mabel Villamarín, veciña da parroquia de Salgueira, en Monterrei. A principios de século, este distrito xa acumulaba os maiores picos de incendios do país e moitos dos grandes incendios forestais da Galiza. No informe do Ministerio de Agricultura relativo ao período 2006 a 2015, producíronse na Gudiña 699 incendios; 630 en Viana do Bolo e 609 na Mezquita. E, se ben Manzaneda foi o municipio con máis terreo afectado, seguírono o de Viana do Bolo, con 6075 hectáreas arrasadas, e o de Cualedro, con 5.484. A orixe da chispa Que causas explican que estes municipios ardan ano tras ano? Non existen as respostas concretas, advirte director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, Juan Picos. "Podemos arrodear os factores, mais a causa última é difícil de saber", expón a este medio. A enxeñeira forestal Verónica Liñares traballou durante un verán como xefa de brigada no municipio de Viana do Bolo. "Foi en 2015, un ano bastante bo, aínda que si tivemos dous incendios grandes", explica por teléfono a Nós Diario. As áreas que concentran grandes incendios, caso do distrito XIV, sofren unha aceleración do seu abandono e unha homoxeneización do seu territorio. "A vexetación que se recupera ten a mesma estrutura, e neste caso en concreto houbo piñeiros adultos que foron substituídos por acacias, mato e piñeiros máis novos, un combustíbel máis propenso a prender", sinala Picos. Esta espiral de grandes incendios, como a describe o tamén profesor da UVigo, ten outras consecuencias, como a progresiva erosión do solo, que empeora nos tempos de seca. Isto combínase con outros factores. "As aldeas están moi illadas e a poboación moi envellecida, co abandono dos distintos usos do monte e das explotacións perdeuse esa estrutura de mosaico do territorio que axudaba a controlar os incendios", apunta David López Fernández. Na Galiza, tamén neste distrito, máis de 90% dos incendios non teñen orixe natural, mais non todos son intencionados. "Persiste o uso do lume para limpar as leiras e coas condicións actuais é moito máis doado que se descontrole e derive nun fogo", exemplifica David López Fernández. De feito, nos pasados anos foron varias as persoas detidas de setenta ou oitenta anos por causaren incendios por mor dun descoido ao prenderen fogo a uns rastrollos. "É unha cuestión moi arraigada, é complexo trasladar que non seguir facendo igual que antes", di Liñares. Mais tamén persiste o uso do lume como castigo ou como vinganza, a raíz de disputas veciñais, ou con outros intereses. "Hai evidencias de episodios nos que se procura provocar incendios forestais e parroquias nas que a intencionalidade subsiste", agrega Juan Picos. Neses casos, afirma, é fundamental chegar a orixe dos conflitos para poder abordalos. Rachar coa espiral Picos engade que é fundamental atallar as espirais de incendios como a que asolaga o distrito Verín-Viana. "Como todo problema complexo, as solucións tamén son complexas", advirte, matizando que deben provir non só desde as achegas técnicas, da enxeñaría forestal ou da bioloxía, se non tamén desde a socioloxía. "E dunha clara aposta política e económica para reverter esta situación", puntualiza. O bombeiro David Fernández López engade que desde o colectivo ao que pertence, a Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras Forestais de Galicia (Apropiga), consideran fundamental o retorno a un uso multifuncional do monte. "Hai que intervir, ou continuaremos con semanas lamentábeis como a que acabamos de vivir", remacha Juan Picos. |
PRAZA_14669 | Solicita a suspensión parcial do xuízo e pregúntase se o Estado será imparcial logo de que as autoridades cualificasen o capitán do Prestige de "pirata" ás poucas horas da catástrofe. | O avogado do capitán do Prestige, Josá María Ruiz Soroa, solicitou este martes a suspensión do xuízo sobre a catástrofe e o sebreseimento da causa en canto á acusación por delito contra o medio ambiente contra o seu defendido, Apostolos Mangouras, un dos acusados presente na apertura da vista oral na Coruña. O letrado foi máis aló e puxo en dúbida que España poida garantir ao seu cliente un xuízo "xusto". Ruiz Soroa preguntouse se o Estado español é capaz de lle garantir ao capitán do petroleiro un xuízo xusto "cando se lle chamou pirata aos dous días da catástrofe", asegurou, en relación ás duras críticas veridas polo Goberno de José María Aznar aos poucos días da deriva do Prestige en augas galegas. O avogado dubida que o Estado sexa "xusto" no xuízo logo de que chamase "pirata" a Mangouras ao pouco da catástrofe Pero as súas críticas ao Estado non pararon aí, xa queu tamén o acusou de terse "prevalido do seu poder" para acudir a inspeccionar o barco "sen dar" a posibilidade de "participar nos recoñecementos" á defensa polo que, na súa opinión, "infrinxíronse dereitos fundamentais" á hora de recoller a documentación do buque. Ademais, e durante a súa intervención, o avogado rexeitou as acusacións sobre Mangouras ao entender que non existiu "dolo", polo que reclamou a "nulidade parcial" ante a "violación de dereitos constitucionais" e a suspensión debido a que se piede a responsabilidade subsidiaria da compañía Universe Maritime, encargada da xestión técnica do Prestige, e que non está personada no xuízo. Por outra banda, o inicio deste xuízo caracterizouse pola petición das partes de novas probas testemuñais e informes periciais. A Fiscalía solicitou que declaren como testemuñas 12 prexudicados franceses pola catástrofe que non puideron exercer a acción popular, mentres que a Avogacía do Estado reclamou testemuñais de persoas que intervrion no dispositivo de loita contra a contaminación, como dous comisionados de Medio Ambiente e de Fomento. O avogado do Estado francés pediu a comparecencia dun responsable do Ministerio de Finanzas de Francia que avaliou os danos, mentres a plataforma Nunca Máis pediu que se declare a nulidade da pericial do enxeñeiro naval Martín Criado, xa que participou no organismo que supervisou as decisións dos días posteriores á catástrofe. |
PRAZA_8287 | Unha década despois, a radiografía iraquí aduce dun país practicamente sen ilusión nin perspectivas de progreso a futuro, unha realidade determinada polo caótico legado de Bush nun contexto rexional sumamente inestable e volátil. Washington non pode ocultar un desastre que nin sequera pode verse reivindicado pola desaparición de Osama bin Laden, pola perda de esfera de influencia de Al Qaeda ou incluso ante a caída de réximes incómodos aos seus intereses, como o de Gadafi en Libia. | Unha década despois da ilegal intervención militar en Iraq dirixida polo ex presidente George W. Bush e os seus aliados internacionais, o legado máis palpable que nos deixa o Iraq da posguerra é a dun país sen perspectivas, cun sistema político debilitado polas constantes loitas sectarias, desarticulado no seu tecido social, institucional e de infraestruturas e notoriamente esquecido da atención internacional, incluso se tomamos en conta o contexto da Primavera árabe e a inminente retirada militar estadounidense pautada para 2014. Non sería descartable considerar que o novo Iraq deseñado polas ambicións de Bush e do seu equipo apunta a configurar os parámetros dun Estado fracasado. Obviamente, esta perspectiva deslexitima calquera percepción relativa ao "oasis de democracia e estabilidade" que prometeu o propio Bush tras finalizar a guerra de 2003. Polo contrario, o caos do Iraq post-Saddam e, particularmente, a súa cruenta guerra entre comunidades étnicas e relixiosas, particularmente cruenta no período 2006-2008 con mais de 150.000 civís mortos, contribuíu a desestabilizar un Oriente Próximo actualmente sacudido polos embates da post-Primavera árabe e dun pulso xeopolítico identificado coas presións contra o programa nuclear iraniano. Tanto como o Afganistán post-Talibán a partir de 2001, o Iraq actual supón a tráxica herdanza que o neoconservadurismo de Bush legou a un mundo post-11/S mais preocupado pola crise económica e financeira, curiosamente outro dos dramáticos legados dese modelo económico defendido e impulsado desde os anos de poder de Ronald Reagan e pola propia dinastía Bush trala desintegración da ex URSS. O descrédito estadounidense Un legado claramente identificado nas ambicións por construír unha nova orde internacional deseñado a partir da ruptura da legalidade existente (principalmente dentro da ONU), da polarización global e da conxunción dunha hexemonía estadounidense fraguada nunha doutrina neoimperial confeccionada pola New American Century Foundation, auténtico think tank de cabeceira do ex presidente Bush e dos seus principais colaboradores Dick Cheney e Donald Rumsfeld. O resultado de todo isto foi un notorio e irreparable dano ao sistema internacional da denominada posguerra fría, perceptible principalmente na incapacidade, entre outros, da ONU e da Unión Europea para frear estas ambicións neoimperiais. Así, Bush asestou o descrédito e a perda de lexitimidade de EUA a nivel mundial unha vez se determinara a inexistencia das armas de destrución masiva que presuntamente albergaba o réxime de Saddam, razón esgrimida para xustificar esta ilegal invasión militar. Así e todo, e pautada a retirada militar estadounidense para 2014, albíscase un panorama escuro para un Iraq cada vez mais abandonado a súa sorte. De igual modo que o réxime de Hamid Karzai en Afganistán, o goberno do primeiro ministro Nourri al Maliki depende excesivamente da tutela de Washington, sen capacidade de garantir unha mínima gobernabilidade cando, precisamente, o Estado iraquí post-Saddam carece da infraestrutura necesaria para ser operativo. Desafiuzada pola ilegal intervención militar de 2003, o Iraq da posguerra deixa a sensación dunha falacia de transición democrática, ameazada constantemente polas rivalidades sectarias e a pesada herdanza de décadas de tiranía do réxime de Saddam e do partido Ba´ath. A Primavera veu por outro lado A posguerra iraquí tamén ilustra a falacia do rimbombante proxecto de Bush de construír o Gran Oriente Próximo. As consecuencias foron, por tanto, absolutamente diverxentes e contraproducentes co respecto a este proxecto imperial. Tres son as claves principais que certifican esta realidade. O primeiro, a perspectiva de desintegración estatal de facto do Iraq actual. Un caso notorio corresponde ao grao de autonomía e semi-independencia da República do Curdistán ao norte do país, o cal transita polo seu camiño dentro dun contexto rexional sumamente inestable, principalmente pola guerra civil e as ambicións exteriores na veciña Siria e ante a presión dunha Turquía temerosa de observar un Curdistán independente. En segundo lugar, e como efecto curiosamente contraproducente da ilegal invasión militar de 2003 e das ambicións neoimperiais de Bush, o caos iraquí de posguerra observou o fortalecemento do peso xeopolítico de Irán, o rival e inimigo de EUA e de Israel, cuxa capacidade de influencia a través da numerosa comunidade xiíta en Iraq permitiu fraguar certo nivel de estabilidade na posguerra iraquí. Finalmente, a inesperada Primavera árabe que espallou pola rexión dende 2011 supón, de igual xeito, a resposta das sociedades árabes contra a constante intromisión occidental, así como as lexítimas demandas por construír unha democracia propia e autóctona, sen imposicións dende o exterior e moito menos a través da ruptura da legalidade internacional. Unha rebelión popular que acabou con réximes aliados de Washington e Tel Aviv como os de Mubarak en Exipto e Ben Alí en Tunisia, así como o de Gadafi en Libia. Precisamente, Washington reproduce actualmente en Libia os mesmos erros cometidos anteriormente en Afganistán e Iraq. Ó mesmo tempo, a Primavera árabe conduciu a un leve e inédito distanciamento de actores estratéxicos como Exipto e Turquía co respecto a Occidente e Israel; e finalmente colocou como actor protagonista destes cambios aos "temidos" partidos islamitas, incluso revitalizando algunhas opcións extremistas e radicais afiliadas ou non á rede Al Qaeda. Unha década despois, a radiografía iraquí aduce dun país practicamente sen ilusión nin perspectivas de progreso a futuro, unha realidade determinada polo caótico legado de Bush nun contexto rexional sumamente inestable e volátil. Washington non pode ocultar un desastre que nin sequera pode verse reivindicado pola desaparición de Osama bin Laden, pola perda de esfera de influencia de Al Qaeda ou incluso ante a caída de réximes incómodos aos seus intereses, como o de Gadafi en Libia. |
NOS_24437 | A sexta feira pasada, o Parlamento galego comunicoulle a Xoán Hermida que é deputado eleito, após se consumar a demisión de Juan Merlo. Hermida dispón dun prazo de tres plenos (o primeiro é o que está a decorrer esta semana) para adquirir a condición plena como parlamentar. Hermida anunciou na RG que nen renuncia á acta nen a asume. Mais ese limbo non ten soporte regulamentar. Legalmente a día de hoxe xa é deputado. Esta quinta feira ás 18.30 horas expira o prazo para se incorporar ao grupo de En Marea. De non o facer, sería adscrito automaticamente ao grupo mixto. | Xoán Hermida -ex Espazo Ecosocialista, dirixente próximo a Luís Villares- recebeu a sexta feira pasada a comunicación formal por parte do Parlamento galego de que xa era deputado eleito. A partir dese momento comezaron a correr unha serie de prazos dispostos para a asunción do escano e dos dereitos e prerrogativas que lle corresponderían como parlamentar. Destarte, Hermida dispón dunha marxe de tres sesións plenarias (a primeira é a que está a ter lugar esta semana) para se axustar ás disposicións estabelecidas no ponto 7 do regulamento da cámara e, consecuentemente, tomar posesión do escano. Os requisitos a cumprir son: apresentar na Oficialía Maior a credencial expedida polo correspondente órgao da administración eleitoral (artigo 7.1.1), cubrir a súa declaración a efeitos do exame de incompatibilidades, reflectindo os dados relativos a profesión e cargos públicos que desempeñe (artigo 7.1.2) e prestar na primeira sesión do Pleno á que asista a promesa ou o xuramento de acatar e gardar fidelidade á Constitución e ao Estatuto de Galicia (artigo 7.1.3). Se transcorrido ese prazo, Hermida non toma posesión do escano perdería automaticamente prerrogativas como parlamentar (entre outros o salario ou o dereito a participar nos plenos), mais, segundo as fontes parlamentares consultadas por Sermos, en ningún caso perdería a súa condición de deputado. "Neste momento Hermida é deputado do Parlamento galego a todos os efeitos", indicaron a este diario dixital. O outro prazo que comezou a correr para Hermida a pasada sexta feira foi o que vén regulado no artigo 25 da cámara, segundo o cal un deputado eleito dispón de 5 días após a súa proclamación para se incorporar a un grupo parlamentar. Isto significa que Hermida ten de data límite para se adscribir ao grupo de En Marea esta quinta feira ás 18.30 horas. Caso de non formalizar a súa alta como parlamentar na mesma agrupación en que se achan as súas compañeiras de confluencia, pasaría automaticamente a ser adscrito ao grupo mixto. Todo isto significa que -ao contrario do dito por Hermida nunha entrevista na RG- non é posíbel deixar o escano conxelado: ou renuncia formalmente a el -co cal haberia un novo desprazamento na lista e entraría no parlamento Julia Torregosa (Podemos)- ou xa esta quinta feira sería encadrado no grupo mixto (a opción de se incorporar esta quinta feira ao de En Marea foi desbotada polo propio Hermida nas súas declaracións a diversos meios). A manobra por tanto de manter en suspenso a renuncia ao escano mentres non demita Paula Quinteiro ten pouco percorrido e pode ser mesmo un boomerang para os fieis a Villares, que podería perder a condición de segunda forza se finalmente Hermida acaba no grupo mixto. Mais non todo acaba aí. O regulamento sempre reserva sorpresas. No artigo 26.3 abre a billa para que "iniciado un novo período de sesións" as parlamentares podan "incorporarse ao grupo parlamentario que desexen dos constituídos". Esta disposición podería permitir eventualmente que no próximo mes de setembro Hermida -se finalmente non renunciar antes- se puidese sumar ao grupo de En Marea. |
NOS_36205 | O PP mantén a folla de rota da aplicación de medidas excepcionais da Constitución para Catalunya. O PSOE pide que se Puigdemont convoca finalmente eleccións, non se aplique o artigo. ERC e PDEcat consideran que o artigo 155 é un ataque ao pobo catalán | A vicepresidenta do goberno español, Soraya Sáenz de Santamaría, compareceu na Comisión de debate do 155 No Senado para defender a aplicación en Catalunya deste artigo que abre a porta a medidas excepcionais. A afonía da vicepresidenta non minguou nin o máis mínimo o ton duro do seu discurso, no que xustificou a aplicación do 155 para "cumprir cunha obriga democrática, legal e política". Foi clara: cargou contra o independentismo por "irresponsábel" e reiterou todos e cada un dos puntos do relato que nestes meses se levan construíndo e propagando desde Madrid contra o proceso catalán: ruína económica, falla de apoio internacional, conculcación de dereitos dos non independentistas. Todo isto para chegar a unha conclusión. Aplícase o 155 para abrir unha nova etapa que permita "recuperar a legalidade, a convivencia", así como para permitir a "recuperación económica" e sentar as bases para "convocar eleccións". A vicepresidenta recoñeceu que o 155 é unha medida excepcional mais lembrou que é unha disposición que aparece en diferentes ordenamentos constitucionais europeos. Antes do inicio do debate, o PP vetou ma mesa do Senado que o delegado da Generalitat en Madrid, Ferran Mascarell, intervese para defender as alegacións do Govern á aplicación do 155. Senadores dos partidos independentistas e de En Comú Podem solicitaron ao inicio da sesión que se reconsiderase esta decisión. Porén, desde o PP defendeuse o veto argumentando que ningún membro do goberno catalán asistira á Cámara Alta para defender esa postura. PSOE Ander Gil, do PSOE, cualificou o proceso independentista como o máis grave incumprimento da Constitución desde o golpe de estado de 1981. "Non hai democracia sen constitución", afirmou, para defender emendas do PSOE á proposta do goberno para aplicar este artigo. Así, pediu que se finalmente Puigdemont convoca eleccións, non se aplique. PDEcat "Co artigo 155 queren decapitar politicamente Catalunya". Así de rotundo se manifestou o portavoz do PDEcat no Senado, Josep LL. Cleries, que cualificou a aplicación dese artigo como "un golpe de estado do nacionalismo español do PP e do PSOE". O senador considera que non hai dúbida de que estamos perante un "ataque á liberdade, ao autogoberno, a todos os cataláns, pensen o que pensen". Advertiu tamén que a aplicación do 155 non ten data de caducidade: "Non se sabe cando acabará". PNV Os nacionalistas vascos consideran que o PP chega a esta comisión coa vontade de poñer en andamento o 155, independentemente de que se declarase ou non á independencia. O PNV entende que cvon esta mewdida hai unha "suspensión" de facto da autonomía catalán, e defendeu que Euskadi e catalunya "non son unicamente autonomías, son pobos". ERC Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) ratificou que se mantén fiel ao "mandato do pobo catalán" saído das urnas o 1-0, "un mandato pola República". Para ERC, o goberno español quer impulsar o 155 procurando "impoñer o caos" e poder así chegar ao poder en Catal7unya. "Vostedes queren negar que somos unha nación. Somos unha nación, non necesitamos de vostedes para nos recoñecer como tal". Unidos Podemos Unidos Podemos denuncia varias irregularidades na tramitación do 155 no Senado. A portavoz adunta, Maribel Mora, relata en Público como o PP, con maioría absoluta na Cámara Alta,tería forzado o regulamento desde que se activou o calendario do procedemento. Óscar Guardindo, de por parte, defendeu no Senado a cerna do argumento que Unidos Podemos leva expoñendo nestas semanas: "Non queremos nin 155 nin DUI. Apostamos nunha España plurinacional, un país de países onde ninguén queira marchar" En Ampliación |
NOS_19562 | Hoxe botou a andar a primeira edición do Tek-Fest, un Encontro Internacional de Tecnoloxías Emerxentes que percorre en Pontevedra os novos camiños que o resto andaremos no futuro. Na dirección creativa está Toño Cabanelas, un pioneiro da realidade virtual cun pé en Madrid e outro na súa Galiza natal, onde segue a desenvolver proxectos coma este. | - O Tek-Fest defínese como o Encontro Internacional de Tecnoloxías Emerxentes. Que tecnoloxías que agora están nunha fase inicial dirías que serán de uso común en pouco tempo?- Penso que unha das liñas que traballamos nesta edición, que é a realidade virtual, é digamos que unha das tres máis prometedoras que naceu nos últimos dez anos e creo que en poucos anos vai estar moi implantada. Estamos moi contentos de tela presente no Tek 2016 e mesmo algún dos compoñentes dos simposios somos pioneiros a nivel estatal e internacional nesta tecnoloxía. Entón para nós é moi importante, porque penso que é de grande axuda para plantexarse crear proxectos nesta rama da tecnoloxía e, ademais, moi boa para a cidade de Pontevedra. - Falando de Pontevedra, tamén se fala moito de cidades dixitais ou 'smart cities' (cidades intelixentes), pero en que pode axudar a tecnoloxía a mellorar a xestión das súas cidades e o benestar dos seus habitantes?- Outra das tecnoloxías que pode cambiar a vida dos cidadáns é a cartografía e a visualización de datos, que pode mellorar absolutamente a xestión dunha cidade ou dun territorio, conectando os datos que existen nun lugar coa toma de decisións, ou mesmo coa intelixencia artificial, como fan cidades como Nova York ou Toquio, ou institucións como a NASA. Nós temos presente no Tek a Carto, unha empresa española que nestes momentos é líder no mundo na xeración deste tipo de aplicacións. E imos empezar un proxecto coa cidade de Pontevedra para convertela dentro dun tempo nunha cidade exemplar, como xa o é urbanisticamente, na mellora da vida dos cidadáns baseándose en datos abstractos. Imos empezar un proxecto coa cidade de Pontevedra para convertela dentro dun tempo nunha cidade exemplar, como xa o é urbanisticamente, na mellora da vida dos cidadáns baseándose en datos abstractos. - Ponme exemplos, por favor.- Estamos falando de analizar datos da cidade que aínda non temos. Entón pódoche poñer exemplos de cidades como NY ou Toquio, pero aínda estamos a traballar desde 0 en colleitar os datos desta cidade, pero imaxina, en Nova York ás veces hai aglomeracións de xente, imaxina o Madison Square Garden e alí van 30.000 persoas a unha zona concreta da cidade, pois podes cambiar o sistema de semáforos, a policía municipal, canto persoal ten que haber, etc. Iso precisa un mapa de datos cartográficos en tempo real. Tardas moitísimo menos en reaccionar para evitar colapsos de xente. Iso é un exemplo. Outro exemplo moi importante tamén é que Carto ten un plan que pode comparar calquera dato que xere a túa cidade, por exemplo, consumo enerxético, con como vai afectar o cambio climático nese territorio. Polo tanto, podes investir mellor os cartos públicos para evitar catástrofes naturais. A visualización de datos e a cartografía trae moitísimas vantaxes a unha cidade. - Con respecto á cultura, como cres que lle está a afectar a tecnoloxía? Porque se están a crear novas disciplinas que van máis alá das artes clásicas.- Si, claro. Eu penso que cambia a maneira de traballar, cambia o resultado final, hibrídanse moito máis as disciplinas que existían antes, tamén se democratiza moito a distribución da cultura… Non sei, pode haber visións moi optimistas e outras máis pesimistas, eu son dos primeiros, e sempre me dediquei moito a isto, primeiro como gran consumidor de vídeo, de música e de literatura, e agora coa realidade virtual aparecen novas maneiras de narrar que hibridan con todas estas tecnoloxías e consiguen que se xere máis mercados e cada vez a resposta está máis en pequenas start-ups e non tanto en empresas xigantescas que xeran contidos, senón en ideas que teñen persoas en pequenos grupos de tres ou catro traballando no mesmo lugar. As novas tecnoloxías cambian a maneira de traballar, cambia o resultado final, hibrídanse moito máis as disciplinas que existían antes, tamén se democratiza moito a distribución da cultura… - O que si está claro é que as tecnoloxías nos levan cara a un novo mundo onde non é posible sobrevivir -profesionalmente falando- sen unha actualización e aprendizaxe constante. - Totalmente de acordo. A min persoalmente interésame máis ir descubrindo ferramentas tecnolóxicas para os meus proxectos, ou como facemos no Tek abrilas a outros profesionais que poden vir a favorecerse doutros profesionais máis expertos nesa materia onde poden aprender novas maneiras de traballar nestes eidos. No Tek temos un feixe de actividades nos que podes vir probar todas estas ferramentas, e poder desenvolver o teu propio proxecto. - Outro dos retos que nos trae a tecnoloxía é un futuro no que desaparecerán os traballos repetitivos, o que vai supoñer un cambio brutal na sociedade. - Eu penso que onde desaparecen determinados postos de traballo nun sector, pódense crear outros moitos en cousas que igual antes non imaxinabamos que existían. Eu traballei moitos anos en Apple, e ás veces dáballes solucións aos clientes que podían poñer en perigo algún posto de traballo, e por outro lado decatábame de que se podían crear postos de traballo por outro lugar reformando un pouco o que fai a empresa. Non só cambia a maneira de traballar pola aparición dunha tecnoloxía, está a cambiar toda a sociedade e en certos sectores, a aparición de startups, con ideas novas e equipos pequenos, ao final pódense converter en empresas de 150 empregados. Creo que o verdadeiro cambio é a sociedade da información e que, por exemplo, desde Galiza poidamos xerar un produto que poida competir no mercado internacional utilizando os nosos coñecementos. Iso si que é un cambio de paradigma, penso. Creo que o verdadeiro cambio é a sociedade da información e que, por exemplo, desde Galiza poidamos xerar un produto que poida competir no mercado internacional utilizando os nosos coñecementos. Iso si que é un cambio de paradigma, penso. - Pero ao final, a maioría das empresas rematan indo a Silicon Valley.- Depende de a que se dedique a empresa e de cal é o teu obxectivo final. Se ti vas alí, pero mantés postos de traballo onde naceu a empresa. Está claro que alí hai unha cantidade de investidores que poden facer que a túa empresa teña máis posibilidades. No caso da realidade virtual, eu teño un estudio que se chama Bermudas Land, e fomos moi pioneiros nisto, e nacemos con tres ou catro empresas máis en España, e algúns teñen xa 50 empregados, investimento americano, van a velocidade de vertixe… Pero nós temos outro tipo de política, facemos proxectos colaborativos, e estamos posicionando filmes nosos en festivais internacionais. Cada un ten o seu modelo, e iso é o que traemos a Tek: imos pasar unha semana facendo workshops, aprendendo, ensinando e desenvolvendo proxectos. Entón Silicon Valley está aí, pero hoxe en día con fibra óptica e coas ideas claras e rodeados de xente tan formada como temos aquí, o importante é a palabra colaboración nunha nova economía. - Esta é a primeira edición de moitas de Tek-Fest?- Ogallá. Eu teño un compromiso persoal para desenvolver cousas en Galiza. A miña profesional fágoa en Madrid, pero moitos trimestres veño por aquí a pensar e a facer proxectos, e agardo que Tek-Fest sexa a semente doutros que fagamos os vindeiros anos. Sería unha gran ilusión. |
PRAZA_13727 | Economistas frente a la crisis analiza as medidas apuntadas polo Goberno central e afirma que o incremento impositivo será pagado polos cidadáns con incrementos de prezos, mentres que as grandes empresas produtoras (agás as de enerxías renovables) sairán beneficiadas | Na sesión parlamentaria do mércores, na que Rajoy enumerou os recortes e reformas que o seu Goberno pensa aprobar nesta semana e as seguintes, incluíase o anuncio dun incremento dos impostos á xeración de enerxía eléctrica, para reducir o déficit de tarifa, que xa supera os 25.000 millones de euros. Non deu máis detalles e só afirmou que a taxa impositiva sería "proporcional" aos subsidios que cada tipo de enerxía percibe, polo que as enerxías renovables serían as máis prexudicadas. O colectivo cre as empresas recuperarán a taxa do 4% na súa totalidade a través do incremento de prezos, polo que ao cabo quen realmente pagará este impuesto serán os consumidores Horas máis tarde José Manuel Soria, ministro de Industria, detallou a proposta do goberno, consistente nunha taxa do 4% para todas as tecnoloxías do réxime ordinario (nuclear, hidráulica e ciclos combinados a gas), un tipo do 11% para a enerxía eólica e do 19% para a fotovoltaica. Ademais, anunciábase unha taxa adicional para a enerxía nuclear (10 euros por MGW xerado) e a hidroeléctrica (15 euros por MGW xerado). As empresas criticaron o plan de inmediato, alegando que as prexudicaba, e o xoves caeron con forza na bolsa. A medida podería aprobarse no Consello de Ministros deste venres, pero non parece probable polas discrepancias que parecerían existir entre o Ministerio de Industria e o Ministerio de Facenda. Supostamente a medida tomábase para beneficiar os consumidores (segundo Soria, de non aplicarse o recibo da luz subiría un 80%), pero o colectivo Economistas frente a la crisis cre que terá consecuencias opostas ás inicialmente consideradas, e que as grandes empresas serán as beneficiadas, a excepción das dedicadas á produción de enerxías renovables. O colectivo cre as empresas recuperarán a taxa do 4% na súa totalidade a través do incremento de prezos, polo que ao cabo quen realmente pagará este impuesto serán os consumidores. Economistas frente a la crisis cualifícao, logo, de "imposto claramente inflacionista que terá como destino pagar esas mesmas empresas". Todo parece indicar que a medida irá acompañada dunha prolongación da licencia de explotación das centrais nucleares por outros dez anos, un tempo no que as empresas terán uns beneficios de máis de 15 mil millóns de euros En canto ao imposto aplicado ás centrais nucleares, non poderá ser repercutido no preo final, polo que en principio suporía unha diminución das marxes de beneficio destas empresas. Porén, todo parece indicar que a medida irá acompañada dunha prolongación da licencia de explotación das centrais nucleares por outros dez anos, un tempo no que as empresas terán uns beneficios de máis de 15 mil millóns de euros, moi superiores aos 7500 millóns que terán que pagar por este imposto. Pan para hoxe e fame para mañá, polo tanto, para o Estado. Algo semellante pasa coas centrais hidroeléctricas, ás que se lles prolongaría uns vinte anos as concesións. Deste xeito, o Estado estaría renunciado a percibir 21.400 miilóns de euros, que sería o valor desas concesións sacadas a subasta. Prexuízos para as renovables Xunto cos consumidores, os grandes prexudicados serían as empresas dedicadas á produción de enerxías renovables, gravadas cun 11% (vento) e un 19% (sol) adicionais Xunto cos consumidores, os grandes prexudicados serían as empresas dedicadas á produción de enerxías renovables, gravadas cun 11% (vento) e un 19% (sol) adicionais. Porén, dado que estas tecnoloxías reciben unha tarifa fixa, a taxa non poderá ser traspasada aos prezos finais, polo tanto neste caso si que o imposto só limitará os beneficios das empresas. Economistas frente a la crisis afirman que estas tecnoloxías teñen uns custos variables moi próximos a cero polo que carecen de capacidade para axustar os seus custos á diminución que estes impostos supoñen sobre os seus ingresos. O colectivo denuncia que "o efecto destes impostos é confiscatorio porque non se aplica sobre marxes senón sobre ingresos presentes e futuros" e cualifica a medida "extrema retroactiva de primeiro grao e por conseguinte, inconstitucional". |
NOS_4075 | Durante o episcopado do Arcebispo Xelmírez, entre 1101 e 1140, a construción da catedral románica de Santiago viviu un verdadeiro período de esplendor marcado pola personalidade deste prelado e patrón das artes; así como polas importantes relacións que mantiña co papado, a monarquía e a orde de Cluny. Todo iso propiciou que o ritmo das obras, que se iniciaron, cara a 1075, pola cabeceira e que xa viviran dúas fases previas sucesivas, se incrementara alcanzando lugares nucleares do proxecto, caso da nova capela maior, do cruceiro e das súas respectivas fachadas, dotadas de portais historiados, que aparecen descritos con minuciosidade no Códice Calixtino. Nelas traballaron importantes mestres foráneos que introduciron unha nova linguaxe e converteron Compostela en importante foco artístico da súa época. | Os tímpanos dos portais maiores da Catedral de Xelmírez: Praterías e o Paraíso A personalidade impulsiva de Diego Xelmírez e o seu desexo de converter Compostela nunha segunda Roma e, por tanto e a pesar da súa localización periférica, nun dos principais focos da cristiandade, explican o rápido desenvolvemento das obras da catedral de Santiago nas décadas iniciais do século XII e, tamén, a transformación na organización da xestión do templo e a diocese. En todo iso, os portais historiados do cruceiro –pois o correspondente ao extremo occidental, probabelmente, non pasou de ser un mero proxecto–; nos que se desenvolvía un programa iconográfico unitario, centrado na historia da Humanidade a través dos textos bíblicos, comezando no Xénese e culminando coa Transfiguración, xogaban un papel fundamental, pondo a catedral na vangarda artística da época e converténdoa nun dos máis ambiciosos proxectos que se levaron a cabo por aquel entón. O relato comezaba na portada norte, a denominada Porta Francíxena, por ser esta a vía de acceso dos peregrinos que, tras entrar na cidade, chegaban á súa Meta a través desta fachada, punto culminante do Paradisus de Compostela. Aquí narrábanse, como sinalou Manuel Castiñeiras os capítulos dedicados á caída e á promesa da Redención do Antigo Testamento. O programa continuaba, no lado sur, co cumprimento da citada promesa segundo o Novo Testamento e, por fin, debía rematarse, na fachada occidental, cunha escena especialmente significativa, a Transfiguración de Xesús no Monte Tabor, situado entre Moisés e Elías e en presenza dos apóstolos Santiago, Pedro e Xoán; unindo, desta forma, o Antigo e o Novo Testamento e, ademais, resaltando a proximidade de Santiago, xunto ao seu irmán Xoán e a Pedro, con Xesús, tal e como este prometera á súa nai Salomé no momento da Vocatio. Este papel principal de Santiago constituía un dos piares do culto xacobeo e, por tanto, da nova catedral destinada a albergar os seus restos. O Códice Calixtino, escrito no Scriptorium compostelán impulsado polo propio Diego Xelmírez, contén, no seu Libro V, unhas coidadas descricións das portadas do cruceiro que nos serven para reconstruílas e para colocar nelas as pezas conservadas, moitas delas recolocadas, en distintos momentos, na portada de Praterías, conformando ese aspecto de quebracabezas que sempre debeu ter, pois no seu proceso de construción xa viviu sucesivos cambios de proxecto froito, en boa medida, dese ritmo acelerado que o arcebispo, recoñecido de forma implícita como "autor da obra", impuxo aos mestres que, a un tempo, traballaban na catedral naqueles momentos. O 'Paraíso de Compostela' Ao referirse ao Paraíso de Compostela, o Liber Sancti Iacobi di que é a porta pola que entran "os de nación francesa" e que "ao concluír a escaleira deste atrio, hai unha admirábel fonte que non ten parella en todo o mundo. Aséntase esta fonte sobre tres gradas de pedra, que sosteñen unha fermosísima cunca de pedra de forma circular, e cóncava, a maneira de cubeta ou cunca, de tal tamaño que eu calculo que poden bañarse comodamente nela quince persoas", aludindo o texto á Fons mirabilis que antecedía o acceso ao templo e á que pertencería a gran cunca de granito que, na actualidade, atopamos no patio do claustro catedralicio. Na desaparecida columna de bronce que había no centro da cunca, achábase unha inscrición alusiva a Bernardo, Tesoureiro e home de confianza de Xelmírez, que impulsara a súa construción. O autor deste libro do Calixtino pasa, a continuación, a describir a portada setentrional da catedral, na que "hai dúas entradas […] belamente labradas" e a desagregar os distintos elementos e motivos que a decoraban: columnas de mármore, así como relevos nas xambas, tímpanos e frisos, deténdose nalgúns deles, caso da Anunciación disposta no tímpano da esquerda. A fachada do Paraíso foi substituída nos anos 1757-1758 pola actual da Acibechería, segundo consta na documentación capitular, pola ruína que presentaba a medieval; con todo, grazas á descrición do Códice Calixtino, ás pezas que chegaron aos nosos días, unha recolocadas noutros lugares da catedral, sobre todo en Praterías, e outras expostas no Museo Catedral; así como ao plano, realizado por Simón Rodríguez en 1735, que detalla a organización da fachada, foi posíbel realizar unha reconstrución hipotética da mesma situando nela esas pezas aínda conservadas. Posibelmente, o proxecto xelmiriano compaxinou no tempo a construción das fachadas do Paraíso, ao norte; e de Praterías, ao sur. Ambas levaríanse a cabo no intervalo dos anos 1100 e 1112, aínda que, nelas, traballarían varios autores e os resultados presentarían notorias diferenzas entre elas, sobre todo polas distintas mans intervenientes, pola variación do terreo, en desnivel cara ao flanco meridional, polos distintos usos que se ían dar ás respectivas portadas e, por fin, polos cambios que se foron realizando, coas obras en marcha, no proxecto de Praterías. Catro mestres na porta 'Francíxena' Deste xeito, segundo Castiñeiras, na Porta Francíxena apréciase a intervención de até catro mestres de procedencia francesa: o Mestre da Porta Francíxena, que sería o principal e o que estaba á fronte do proxecto; e, xunto a el, os Mestres das Columnas Entorchadas, do Cordeiro e da Traizón. Mentres, nas Praterías, atopamos, desde o principio, en solitario, o Mestre das Tentacións, o que se sumaron pezas dos Mestres da Porta Francíxena e da Traizón, incorporadas con motivo do primeiro dos cambios de proxecto e, con posterioridade, pezas do Mestre da Transfiguración que, orixinalmente, debían estar destinadas á fachada occidental, que non se chegaría a realizar. Como se comentou, seguindo a descrición do Calixtino, no tímpano da esquerda estaría a citada Anunciación, unha peza que, tras a destrución da fachada, pasaría a disporse no frontispicio de Praterías. Pola súa banda, para o da dereita, estarían destinados, orixinalmente, os relevos da Muller coa Caveira, posíbel representación da Muller adúltera -aínda que hai outras hipóteses respecto diso, como a de Alfredo Erias, que a identifica como Betsabé–; así como os tres diaños danzantes e, tamén, o personaxe que toca un corno á vez que cabalga un león, pezas, todas elas, atribuídas ao referido Mestre da Porta Francíxena e dotadas dun carácter moralizante que, finalmente, acabaron incluíndose no tímpano esquerdo de Praterías. A fachada das Praterías Pola súa banda, o Liber Sancti Iacobi, á hora de referirse á fachada de Praterías, sinala que "ten, como dixemos, dúas entradas e catro follas", pasando, a continuación, a describir coidadosamente o tímpano da dereita, onde "está esculpido, en primeiro termo, de modo admirábel, encima das portas, o prendemento do Señor. Alí véselle atado á columna a mans dos xudeus, e azoutado con correas, mentres Pilatos está sentado no seu trono en actitude de xuíz. Na franxa seguinte, enriba da anterior, aparece a benaventurada Virxe María, Nai de Deus, co seu Fillo en Belén, e os tres Reis que veñen coa súa tripla ofrenda visitar o Neno e a Nai, e a estrela e o anxo que os advirte de que non volvan ao pazo de Herodes". Mentres, no tímpano da esquerda, están esculpidas "as tentacións do Señor. En efecto, ante o Señor aparecen uns horríbeis anxos como monstros, que o colocan sobre o pináculo do templo. Outros preséntanlle pedras incitándoo a que as converta en pan, mentres que outros lle mostran os reinos do mundo insinuando que llos darán se se prostra ante eles, cousa que Deus non queira! Pero hai tamén outros anxos brancos, é dicir, bos, ás súas costas e por arriba, adorándoo con incensarios" continuando, un pouco máis adiante coa referencia á citada Muller coa Caveira, achegando, ademais, a súa interpretación da mesma seguindo na liña comentada: "e non se ha de botar en esquecemento que xunto á escena das tentacións do Señor, está representada unha muller que sostén nas súas mans a cabeza putrefacta do seu amante, arrancada polo propio marido, quen a obriga a bicala dúas veces por día. Grande e admirábel castigo para contarllo a todos o desta muller adúltera!". Igualmente detallada é a descrición doutros elementos presentes na fachada, caso das columnas ou os relevos de friso e xambas, permitindo unha visión bastante completa do estado da fachada naquel momento, pouco despois da súa realización e antes dos engadidos e reformas que se realizaron ao longo do tempo até configurar a súa actual aparencia. Quizais, como sinalou Castiñeiras, os cambios realizados no proceso de construción da fachada puideron deberse, precisamente, ao papel protagonista que se quixo dar aos tímpanos –fronte ao feito na Porta do Paraíso- o que obrigou a modificar o plan inicial e, con iso, a incorporar pezas que, en principio, non estaban destinadas a esta fachada. Por tanto, por impulso de Xelmírez, tras o seu nomeamento episcopal, iniciouse un novo proxecto na catedral, que se desenvolveu na seguinte década e que se ía centrar, de forma especial, no altar maior e nas fachadas do cruceiro, as cales se iniciaron á vez coa participación dun grupo de mestres de procedencia foránea: na fachada norte, baixo a dirección do Mestre da Porta Francíxena; e do Mestre das Tentacións, na Sur. No caso desta última, nun momento inicial, pero, en todo caso, despois de 1103, produciuse un cambio de proxecto que pretendeu dotar de maior presenza os tímpanos, para os que xa se realizaran os relevos das Tentacións, do tímpano dereito; e os da Epifanía e as escenas da Paixón do da esquerda, obrigando, entón, a reutilizar pezas inicialmente pensadas para o tímpano da dereita da portada norte, dando como resultado uns espazos abigarrados na súa decoración e de aparencia caótica. Máis adiante, a fachada de Praterías aínda habería de vivir diversas modificacións e incorporacións, a máis recente, a feita a finais do século XIX, cando López Ferreiro sumou, no friso, seis nenos cantores que pertenceran orixinalmente ao coro do Mestre Mateo. A catedral románica "Nesta igrexa non hai fenda nin defecto ningún; está magnificamente construída, é grande, espazosa, luminosa, harmoniosa, ben proporcionada en anchura, lonxitude e altura, e de admirable e inefábel fábrica. Ademais, ten dobre planta como un palacio real. Quen percorre por arriba as naves do triforio, aínda que suba triste, vólvese alegre e gozoso ao contemplar a espléndida beleza do templo […]. A catedral de Santiago resplandece con gloriosa magnificencia". O Códice Calixtino inclúe esta coidadosa descrición da catedral románica que, naquel momento, aínda se atopaba en proceso de construción, tal e como o mesmo autor dá a entender máis adiante: "Con todo, desta relación, unhas cousas están terminadas e outras sen rematar". O auxe das peregrinacións a Compostela, así como a situación xeopolítica e social nas últimas décadas do século XI, converteron en insuficiente o templo prerrománico construído en época de Afonso III e reedificado tras a razzia de Almanzor do ano 997. Deste xeito, cara ao ano 1075, comezouse a construción dunha nova Igrexa de Santiago co impulso do rei Afonso VI e do bispo Diego Peláez. O momento, aparece descrito, unha vez máis, no Códice Calixtino: "Os mestres canteiros que empezaron a edificar a catedral de Santiago chamábanse don Bernardo o Vello, mestre admirábel, e Roberto, con outros cincuenta canteiros pouco máis ou menos que alí traballaban asiduamente", un número que o recente estudo das marcas achadas na área correspondente a esta fase inicial das obras parece confirmar, aínda que hai diversas hipóteses a este respecto. Así mesmo, senllos capiteis situados no acceso á capela do Salvador, dan fe, nas súas representacións e inscricións respectivas, do momento do inicio das obras e da identidade dos seus promotores. Esta fase inicial prolongouse até o ano 1088 e incluíu a execución das tres capelas centrais da xirola e os seus muros inmediatos. A caída en desgraza de Diego Peláez, que acabou exiliado, provocou se non unha interrupción das obras, alomenos unha retardación das mesmas até que, en 1094, da man do Mestre Esteban, se iniciou unha segunda fase construtiva que incluíu un novo proxecto desde distintas perspectivas arquitectónicas e decorativas. Esta segunda fase prolongouse até 1101, en que tivo lugar a toma de posesión á fronte da diocese de Diego Xelmírez, con quen se ía iniciar unha terceira etapa da man dunha serie de mestres de procedencia foránea que incorporaron novas ideas e técnicas, á vez que o citado Esteban, pola súa banda, asumía a dirección das obras da catedral de Pamplona. Baixo o impulso e dirección directa de Xelmírez e os seus principais colaboradores, a obra da Igrexa de Santiago seguiu cun ritmo vertixinoso que permitiu a consolidación da sede compostelá. Como vimos, é durante esta etapa construtiva, que se prolongará até a morte de Xelmírez en 1140, cando se leva a cabo o novo Altar de Santiago e avánzase na edificación das naves e fachadas da catedral, todo iso dentro dun programa unitario que tiña como obxectivo principal a exaltación do sepulcro apostólico e da súa catedral. Non se pode afirmar con certeza o estado exacto das obras en 1140, pois aínda que o Códice Calixtino afirma que "desde o ano en que se colocou a primeira pedra nos seus cimentos até aquel en que se puxo a última pasaron corenta e catro", -o que implica que a catedral estaría concluída por completo en 1122–; tamén refire, como xa se comentou, que parte xa se rematara e parte estaba aínda pendente. É dicir, que a catedral si podía estar en funcionamento –de feito, en 1112, derrubouse por completo a vella basílica de Afonso III- e o proxecto definido, pero as obras aínda se atopaban en marcha. O certo é que resulta moi improbábel, por tempo, dificultade do terreo, análise estilístico dos últimos tramos da nave central e do cerramento occidental, ausencia de vestixios, -máis aló dalgunhas esculturas, precisamente recolocadas na mesma época nas Praterías–; e de restos arqueolóxicos etc. que a catedral estivese completamente terminada cando, en 1168, Fernando II asinou unha pensión vitalicia para o Mestre Mateo pola dirección da obra da Igrexa de Santiago. A partir dese momento, iniciaríase, precisamente polo extremo oeste das naves e introducindo unha nova linguaxe artística, a fase definitiva da construción da catedral románica, cara a súa solemne consagración, que tivo lugar en 1211. |
PRAZA_10614 | A piques de cumprirse o sexto aniversario do accidente, consideran "extremadamente grave" que aínda non estea en marcha e piden ao presidente do Goberno central que os reciba "e ordene realizala". | A tan só uns días de que se cumpra o sexto aniversario do accidente de Angrois, as vítimas reclaman a Pedro Sánchez, que poña en marcha a investigación técnica independente que solicitou a UE "en reiteradas ocasións, primeiro ao goberno do PP e despois ao do PSOE", como lembran nun comunicado este sábado. A Plataforma Víctimas Alvia 04155 considera "extremadamente grave" que aínda non se puxese en marcha esa investigación e lembran que a UE, "nun durísimo informe", concluíu "que o goberno non cumpriu coa obriga de investigar a traxedia, poñendo de manifesto a falta de independencia e a invalidez" da realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), ao "non analizar as causas raíz, precisamente as que afectan a Fomento, Renfe e Adif". As vítimas consideran "extremadamente grave" que aínda non estea en marcha a investigación independente e piden a Sánchez que os reciba "e ordene realizala"A plataforma de vítimas acusa os ex-ministros de Fomento Ana Pastor e Íñigo de la Serna e o actual, Ábalos, de "ningunealos", pero non só a eles senón tamén á UE. Por iso, din solicitan agora "unha reunión" co presidente Sánchez. "Para que nos reciba e ordene realizar unha investigación independente". "É imprescindible que se depuren todas e cada unha das responsabilidades e que se clarexe toda a verdade e se realice a investigación técnica independente para que se incorpore ao proceso xudicial", insisten, nun comunicado no que inclúen un vídeo que lembra a súa loita e todos os atrancos sufridos nos últimos seis anos e que titulan acusando o PSOE de "seguir os pasos do PP para ocultar a verdade".Fomento argumenta, desde hai anos, que non pode pedir outra investigación porque agora os técnicos xa son independentes. Para as vítimas, "non investigar correctamente impide tomar as medidas axeitadas para evitar que feitos tan terribles poidan volver repetirse, un dos principais obxectivos sinalados pola normativa". Agora, a plataforma advirte tamén ao goberno socialista sobre a necesidade desa investigación indepentende, unha reclamación que fixeron tamén o pasado mes de xuño ao Defensor do Pobo. En canto ás responsabilidades penais, lembran que a instrución foi pechada no decembro pasado imputando o ex-director de Seguridade do Adif, Andrés Cortabitarte, e o maquinista, cun auto que, "en concordancia coa UE, invalida a investigación levada a cabo pola CIAF". Ademais, lembran que entende que tamén existe "responsabilidade penal por parte de Renfe" por ter "constancia por escrito dun aviso dun xefe de maquinistas sobre a perigosidade da curva" e non actuar "en consecuencia" tal e como obriga a directiva europea de seguridade. As vítimas presentaron recurso ante a Audiencia e esperan que axiña se abra xuízo oral. A plataforma de vítimas advirte que a comisión parlamentaria foi "pechada en falso e sen conclusións" e agarda que os traballos se retomen na vindeira lexislaturaAlén disto, aseguran que a comisión parlamentaria "pechouse en falso e sen conclusións" e agardan que na vindeira lexislatura "se retomen os traballos", que eles poidan comparecer e que se teñan en conta novas informacións relevantes: o gasto de Adif de case 15.000 euros en asesorar os seus comparecentes ou os procedementos de infracción que a UE abriu a España por incumprimento da normativa europea de seguridae ferroviaria. "Pais, irmáns, avós, amigos... Tivemos que ir a Europa para ser tratados como verdadeiros cidadáns, e tivemos que loitar moito para desmontar a verdade oficial. Seguiremos loitando", rematan. |
NOS_21092 | O número total de pensións no noso país é de 756.601, un 0,5% máis que a comezos de 2016. | A pensión media galega sobre un xaneiro un 2% e sitúase en 771,34 euros. Un aumento insuficiente para tirar Galiza do furgón de cola en canto a pensións pois somos o segundo territorio do estado coas pensións máis baixas, só Estremadura presenta un peor rexistro ca nós. Ademais, a pensión media galega continúa 15 puntos por baixo da media estatal, que é de 913 euros mensuais, 142 euros máis que a galega. En xaneiro o número total de pensións no noso país é de 756.601, o que supón o 8% de todas as do estado. Desde comezos de 2016 até agora aumentou o número nun 0,5%. A pensión de xubilación media en Galiza foi de 876 euros, o que supón 178 euros menos que a media española, que está nos 1.054 euros ao mes. Fendas hai tamén se comparamos as cantidades medias que se pagan en Galiza e estado en viuvedade ou incapacidade permanente. |
NOS_47484 | Dúas axencias de saúde pública, CDC e a FDA, piden suspender a vacinación con este medicamento até que haxa máis investigacións | As dúas principais axencias de saúde pública de Estados Unidos decidiron suspender o uso da vacina de Johnson & Johnson (Janssen) até que se investiguen máis os casos de trombos asociados a este medicamento contra a Covid-19. CDC e a axencia do medicamento (FDA) federais realizaron un chamamento a todos os estados para que adopten este criterio. Trátase duns casos de tromboses, do mesmo modo que os que se investigan en relación con AstraZeneca, moi pouco frecuentes e que adoitan detectarse ao redor de dúas semanas despois da inoculación da vacina. Estados Unidos detectou seis casos, un deles mortal e todos de mulleres entre 18 e 48 anos. Unha das pacientes está ingresada en estado crítico. Perto de sete millóns de persoas recibiron a vacina de Johnson & Johnson. A medida dos reguladores de estadounidenses prodúcese menos dunha semana despois de que o regulador europeo, a EMA, anunciase que estaba a revisar casos de trombos raros en catro persoas que recibiron a inxección. |
NOS_44660 | Cada vez son máis os lugares que recuperan a tradición dos cantos de Reis, un xénero que xerou formas musicais propias e que constitúe unha parte moi relevante do patrimonio inmaterial da Galiza. En Soutomaior, a veciñanza únese para rescatar do esquecemento este tesouro literario e musical. | No Nadal cántanse as panxoliñas; no Aninovo, as xaneiras; e os días 5 e 6 de xaneiro, os cantares de Reis. O vello costume de xuntarse en grupos para percorrer as parroquias e as aldeas cantando polas casas é tan vello como a memoria. E o repertorio de cántigas que se interpretaban naqueles percorridos, tamén. A tradición pasou por malos momentos e case se perde, mais cada vez existen máis iniciativas de asociacións e particulares que traballan por rescatar do esquecemento esta parte do patrimonio cultural inmaterial. "Cando eu cheguei a Soutomaior, a tradición estaba perdida. Indaguei e atopei algunhas veciñas que lembraban o costume e os cantares que se botaban na festa de Reis, e comecei a traballar cun grupo de xente para volver darlles vida. Posteriormente, a Asociación de Veciños de Pozovello fixo unha recollida de propostas para dinamizar as festas, eu propuxen que se recuperasen estes cantares xunto coa tradición de saír polas casas, e agora xa somos case unha vintena de persoas que imos saír polas parroquias dos arredores nestes días". Menduíña, que procede de Cangas, ofrece unha das chaves dese esquecemento: "Eu saía a cantar os Reis pola zona de Cela e de Beluso, en Bueu. No Morrazo somos algo máis bravos e, aínda que o franquismo o prohibiu, nós seguiamos coa tradición Quen así fala é María Menduíña, a responsábel de que no concello de Soutomaior volvan escoitarse estes antigos cánticos cos que mozos e mozas -e tamén nenos e nenas- buscaban que a veciñanza os recompensase do recital cun aguinaldo que despois consumían todos xuntos facendo unha festa. "Íase de porta en porta, cantábanse os Reis e pedíase o aguinaldo. En tempos, cando en todas as casas se facía matanza, adoitábase dar algo de chourizo, de touciño... e quizais algunhas galletas ou outros doces. Cada casa daba o que podía. Agora son máis habituais as lambetadas, algo de viño ou algo de diñeiro para comprar directamente a comida", lembra Menduíña. No concello de Soutomaior, os cantares de reis tiñan moita tradición e a xente ía cantando mesmo até as casas de varias parroquias de Redondela, como o Viso ou Pontesampaio (Pontevedra). Mais o costume foi perdéndose, aínda que esa perda non pode atribuírse completamente ao abandono ou ao desinterese da veciñanza. Menduíña, que procede de Cangas, ofrece unha das chaves dese esquecemento: "Eu saía a cantar os Reis pola zona de Cela e de Beluso, en Bueu. No Morrazo somos algo máis bravos e, aínda que o franquismo o prohibiu, nós seguiamos coa tradición. Ás agachadas, pero saïamos". A prohibición interrompeu a continuidade do costume e fixo que os cantares de Reis perdesen consideración. "Os maiores non llos transmitiron á novas xeracións. Houbo un corte xeracional que fixo que a xente deixase de darlles importancia", declara Menduíña. Diversas formacións Os grupos de Soutomaior denomínanse bandos, e habitualmente só cantan. Mais existen noutros lugares outro tipo de agrupacións como as rondallas, caso das de Gondomar, que só tocan instrumentos, ou os ranchos de Reis que aínda se conservan en varios lugares das comarcas do Condado e de Vigo. Os ranchos incorporan danzas semellantes ás "danzas brancas" que acompañan as procesións de virxes e santos e que teñen unha probábel orixe nas asociacións gremiais de artesáns da Idade Media. Unha referencia simbólica ao ciclo da vida e do sol no solsticio de inverno Os cantos de Reis adoitan comezar cunhas estrofas nas que os "reiseiros" se presentan e piden licenza para cantar á porta da casa. Logo, segue o propio canto de Reis. E para finalizar, louvase os habitantes da casa -se se obtén o aguinaldo- ou engádense unhas estrofas ferintes -en caso de non obter a recompensa desexada. Case todos os cantos de Reis relatan unha viaxe ou relaciónanse cun camiño, especialmente, claro, coa viaxe dos Reis de Oriente que van adorar o Neno Deus. O Nadal coincide co solsticio de inverno, co momento en que o Sol comeza "a súa viaxe cíclica" e todo o relato supón unha referencia simbólica a ese ciclo da vida que se renova permanentemente. "Cantámoslle ao Neno Deus, mais ben poderiamos dicir que lle estamos cantando ao Neno Sol", resume María Menduíña. |
NOS_14209 | A Semente Compostela está a procurar apoio económico entre a cidadanía para abrir unha nova escola que reúna o alumnado de infantil e primaria en Moas de Abaixo (Vidán, Compostela). Unha campaña que está a ter unha cálida acollida, con mostras de apoio que chegan desde distintas comunidades lingüísticas do mundo. Conversamos co colectivo para saber máis da futura Escola de Ensino Galego Semente, unha aposta pola inmersión lingüística en galego e a coeducación. | Xa iniciaron a campaña para o Proxecto Moas. A que necesidade responde esta escola? O proxecto das Moas ten que ver cunha necesidade que xa tiña a Semente desde hai tempo. A Semente botou a andar como unha escola de infantil para un grupo de crianzas de familias que estaban interesadas nunha escola de inmersión lingüística en galego. O que pasa é que foi medrando nos últimos anos, até o punto de que houbo que abrir dúas escolas, a das Salvadas e a da Torreira, para infantil, e, a maiores nos últimos dous anos tamén se deu o paso a primaria (as crianzas medraban e buscábase continuar o proxecto). Como a Semente forma parte dunha rede de escolas a nivel galego, estabamos vendo as experiencias de Trasancos, de Lugo... En Compostela, co incremento da demanda da Escola en galego por parte de tantas familias, comprobouse que era realmente necesario dar un paso máis e crear unha escola grande, un edificio, que acollese o proxecto. Finalmente conseguimos mercar un inmóbel co aval de Coop57, unha liña de crédito que ten un respaldo social importante (centos de persoas), e tendo en conta que se lanzou en plena crise da COVID-19. Como está sendo a acollida deste 'crowdfunding'? O edificio que adquirimos é unha casa particular moi grande, de tres pisos, e cunha finca enorme, porque o contacto coa natureza forma parte do proxecto da Semente. Necesitamos acondicionala, desde os propios accesos á escola até todas as obras necesarias. Por iso pensamos no crowdfunding, que foi tamén a estratexia coa que saíu adiante a Semente Trasancos. Botouse estes días a andar e nun día conseguimos moito apoio, o que demostra que é algo necesario para a sociedade. Vese que si hai un apoio social, que é unha demanda en Compostela. O ritmo debe seguir, sabemos que é difícil, mais a educación é algo no que debemos seguir sumando forzas. Estas medidas que se están reclamando pola crise sanitaria, como reducir a ratio de crianzas, deixa ver canto necesitamos este tipo de escolas como lugar de encontro, porque é educación. A verdade é que tivemos moi boa acollida e houbo unha resposta internacional moi potente, desde a Illa de Tromsø (Noruega) até unha escola de Perpiñán, de moitas linguas minorizadas que apostan por este tipo de proxectos. O de saltar de infantil a primaria xa foi unha aventura, e recibiuse moi ben. En Compostela estabamos en tres alugueres e os espazos van quedando pequenos... O feito de poder contar cun único edificio máis grande é agora unha necesidade, tamén pensando nas actividades extraescolares ou de campamento. As escolas Semente contan con anos de experiencia, como foi este percurso? A Semente xa vai para a primeira década de vida. Neste tempo tratamos de estar en activo e en contacto con iniciativas semellantes en todo o mundo, desde proxectos até congresos que se organizan periodicamente de educación en linguas minorizadas. Estamos en contacto con escolas de inmersión que promoven o mesmo que nós, o respecto polas linguas minorizadas. A escola Semente é un modelo que, na súa metodoloxía, ten moito da atención indivualizada do alumnado. A Semente comezou en idades moi pequenas, de 2 a 6 anos, e procurando a autonomía da crianza, centrándose na escoita, na concepción dos grupos reducidos e tamén no interese polo contacto coa natureza... E esa era outra das complicacións, que todos os locais que procurabamos para a Semente precisaban un espazo natural importante... o contacto coa terra, os traballos agrícolas, que as crianzas dispoñan da súa horta, do seu galiñeiro... é necesario porque todo iso forma parte da aprendizaxe. Todo o que ten que ver coa natureza, coa atención individualizada, coa resolución de conflitos a través do diálogo entre iguais mailo traballo en pequenos grupos forman parte das liñas que desde sempre se traballan na Semente. |
PRAZA_14498 | Xosé Veiras analiza en Un claro no bosque, o blog sobre ecoloxismo de Praza, o informe elaborado por Ecoloxistas en Acción. As cidades da Coruña, Ferrol, Pontevedra-Marín e Vigo son as que amosan peores índices de contaminación por mor das centrais térmicas de carbón e o tráfico. | Xosé Veiras analiza en Un claro no bosque, o blog sobre ecoloxismo de Praza, o informe elaborado por Ecoloxistas en Acción. As cidades da Coruña, Ferrol, Pontevedra-Marín e Vigo son as que amosan peores índices de contaminación por mor das centrais térmicas de carbón e o tráfico. Segundo o informe La calidad del aire en el Estado español durante 2011, o 94 % dos españois e españolas respiran aire contaminado, tomando como referencia as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS). En Galicia, a porcentaxe é menor pero tamén moi alta: o 79 % da poboación galega respira aire contaminado. No caso da poboación urbana é a práctica totalidade. O estudo, realizado como cada ano por Ecoloxistas en Acción, analiza a calidade do aire empregando os datos facilitados polas Administracións autonómicas. No caso galego, utilízanse os datos obtidos polas estacións de medición da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e das grandes industrias. Considérase que a poboación dunha das zonas nas que se divide o territorio a efectos de avaliación da calidade do aire respira aire sucio cando a media das concentracións no aire medidas nas estacións situadas nesa zona supera os valores límite legalmente vixentes e/ou os propostos pola OMS, máis estritos. Os contaminantes atmosféricos que ten en conta o estudo son as partículas en suspensión con diámetro inferior a 10 e 2,5 micras (PM10 e PM2,5), o dióxido de nitróxeno (NO2), o ozono (O3) das capas baixas da atmosfera e o dióxido de xofre (SO2). O aire en Galicia está limpo se se toman como referencia os valores legalmente en vigor na Unión Europea. Porén, a situación muda radicalmente se subimos o nível de ambición e se pasan a ter en conta as recomendacións da OMS De acordo coa metodoloxía do informe de Ecoloxistas en Acción -e tamén coa seguida pola Xunta- o aire en Galicia está limpo se se toman como referencia os valores legalmente en vigor na Unión Europea. Porén, a situación muda radicalmente se subimos o nível de ambición e se pasan a ter en conta as recomendacións da OMS. Neste caso, 2.200.000 galegos e galegas, o 79 % da poboación do país, respira aire nocivo para a saúde. Tráfico e industrias altamente contaminantes ensucian o aire que respiramos As cidades da Coruña, Ferrol, Pontevedra-Marín e Vigo son as que amosan peores índices de contaminación En Galicia, o contaminante con maior incidencia é o ozono, seguido polas partículas en suspensión e o dióxido de xofre. As cidades da Coruña, Ferrol, Pontevedra-Marín e Vigo son as que amosan peores índices de contaminación. "O cadro xeral que presenta Galicia é o dun territorio con catro principais fontes de contaminación: algúns sectores industriais moi intensivos no consumo de enerxía e/ou materiais (metalúrxico, pasta de papel,…), as centrais enerxéticas -especialmente as térmicas de carbón, cuxa produción aumentou perto dun 50% durante 2011–, o tráfico marítimo e o tráfico rodado das grandes urbes". Este último é a principal causa de deterioración da calidade do aire no medio urbano, aínda que o informe de Ecoloxistas en Acción salienta este ano que o tráfico marítimo pode ser unha fonte de contaminación a ter en conta nas cidades con grandes portos. As zonas nas que o aire está contaminado son as seguintes (entre parénteses sinálanse os contaminantes responsábeis): A Coruña (PM10, PM 2,5, SO2), Ferrol (O3,SO2), Santiago (PM2,5, O3), Lugo (O3), Pontevedra (PM10, O3), Vigo (PM10, PM2,5, O3), Terra Chá (SO2), Sur das Rías Baixas (PM10, PM2,5, O3), Franxa Fisterra Santiago (O3), A Mariña (O3, SO2) e Franxa Ordes-Eume II (O3). No caso das zonas denominadas Terra Chá (que excede amplamente a comarca do mesmo nome) e Sur das Rías Baixas (que non inclúe as cidades de Pontevedra e Vigo), a superación de valores máximos propostos pola OMS é debida, respectivamente, a estacións situadas na contorna de Cementos Cosmos (en Sarria) e de ENCE (en Marín). Cómpre salientar tamén a superación do limiar de contaminación recomendado pola OMS para o dióxido de xofre -para a avaliación do cal, Ecoloxistas en Acción conseguiu información este ano por primeira vez-, en estacións pertencentes ás redes de varias industrias e centrais enerxéticas: Cementos Cosmos, Alcoa San Cibrao, ENDESA As Pontes, central térmica de carbón de Meirama (Gas Natural Fenosa) e SOGAMA. --- Podes ler o texto completo en Un claro no bosque |
NOS_55993 | Hai unha semana e pico que só escoito Fallen Angels, debo ter eu algo tamén de anxo caído. Desde que me enganchou con Street Legal en algún momento dos primeiros 80 do pasado século, son un devoto da relixión dylaniana. Nada do que vou escreber a seguir é obxectivo. | Fallen Angels é, segundo investigo, o disco oficial número 37 de Robert Allen Zimmerman, talvez o músico popular máis influente e determinante das últimas sete décadas. Coñecido como Bob Dylan, sen el hoxe o rock sería distinto (non tería cerebro, por utilizar unha frase usualmente atribuída a John Lennon). Voz nasal inconfundíbel e deliberadamente rasposa, Dylan ten un inusitado talento para as melodías e máis que un artista é un continente, nel danse todas as paisaxes imaxinábeis, desde o folk puro estilo Woody Guthrie até o country Johnny Cash pasando polo mellor rythm and blues stoniano. Á hora de confesar a miña debilidade maior sempre dubidei entre este señor e Frank Sinatra, o outro icone da música popular norteamericana. Pois ben, Dylan resolveu a ecuación hai un par de anos cando puxo nos trinques Shadows in The Night, a súa primeira incursión no mundo dos standards, no cosmos dos crooner. Dylan sachando nas leiras de Sinatra, Crosby ou Bennett??? Are you crazy?? Non tal, estou nos meus cabais e Zimmerman, tamén. Prexuízos fóra, poñede Shadows in The Night e pasmaredes, aseguróvolo. Se caístes no feitizo de Shadows in The Night andade con tino con Fallen Angels Avísovos dunha cousa, se caístes no feitizo de Shadows in The Night andade con tino con Fallen Angels. É un paso adiante, non unha brincadeira. Dylan toma absolutamente a serio a enorme tradición do mellor cancioneiro popular norteamericano, o que Sinatra cristalizou nalgunha das máis brillantes composicións do jazz moderno. E abertamente, sen pudor, sen medo, a peito descuberto, que ten que perder este home aos seus 75 anos!, enfronta algunhas das empresas maiores coas que pode lidar un cantante de música popular. Que difícil é cantar Young at Heart, All the way ou It had to be you, e saír vivo, indemne, do intento!!! É mais, teño a impresión de que Dylan canoniza a súa versión de Nevertheless, bañada nunha saudade crepuscular que a fai absolutamente críbel, sofres co tipo, acompañalo, tes vontades de curarlle as feridas. Cando escoitas a un bon cantante tes a impresión de que o vas acabar coñecendo, de que sabes como é e como sente. E Dylan consegue ese efeito milagroso neste Fallen Angels, un cd en que, aliás, o vate de Minnesota decide que toca rexisto escrupuloso de crooner e crávao, proba irrefutábel de que o señor cando quer cantar como os anxos, caídos ou non, faino e en paz (se quer imitar a voz ranxadoira dos primeiros cantores do blues, como ten mostrado en varios traballos na última década faino tamén, esa versatilidade é o que o fai único). No plano artístico (a pegada que deixe é outra cousa), Fallen Angels está á altura do mellor que este home leva producido desde que en 1962 apareceu sobre o palco. Non digo máis. |
NOS_42802 | A terceira ola da enquisa que Instituto Opinometre está elaborando para o diario catalán Ara sinala que a estratexia do Goberno español fai aumentar o número de partidarios do 'si' no referendo do próximo 1 de outubro en Catalunya, pero tamén retrae ao perfil de votante socialista de acudir as urnas. | O primeiro domingo da campaña do referendo de autodeterminación en Catalunya serviu para que as distintas forzas políticas remarcaran as súas posicións. Mentres en Gavá Pedro Sánchez criticaba a Rajoy lembrándolle que non fixera "o que tiña que ter feito" antes de ofrecer todo o apoio do PSOE ao Goberno español, a CUP celebraba un acto en Terrassa coa presencia de Sánchez Gordillo, alcalde de Marinaleda, no que Ana Gabriel sinalaba que "o noso obxectivo é desbordar as leis e os intereses dos lobbies" e a Assemblea Nacional Catalana reunía a centos de barceloneses nunha pegada masiva no centro da cidade. Tamén se celebrou (con gran éxito de público) no Teatro del Barrio, en Madrid, o acto sobre o dereito a decidir que provocara a polémica entre un xuíz e as autoridades municipais. Presión policial Mentres a Garda Civil incautaba 1,3 millóns de carteis e folletos de publicidade do referendo co logotipo da Generalitat, medios cataláns advertían da belixerancia das policías locais nestes primeiros días de campaña contra a propaganda polo 'si' en moitos concellos. En Barcelona, por exemplo, a Guàrdia Urbana abriu dilixencias contra a empresa de autobuses urbanos porque os vehículos levan publicidade do referendo. Nos medios continuou o debate cun manifesto asinado por un cento de "intelectuais de esquerdas" contra o referendo que publicou El País (apoiado entre outras por Isabel Coixet, Victoria Camps, Mónica Randall, Félix Ovejero e Carlos Jiménez Villarejo), e en Ara ofrecían unha enquisa que vaticina un triunfo amplo do 'si', con case un 70% do voto na xornada do primeiro de outubro, e unha participación que acadaría o 60%. A enquisa A sondaxe, a terceira ola do informe que elabora Instituto Opinometre, sinala que as porcentaxes de cataláns que mostran intención de ir a votar (un 51% que irán seguro e un 9,2% que posiblemente participarán) están inda por riba do 60% despois do traballo de campo feito trala Diada do pasado luns. As dúas olas anteriores situaban esa cifra no entorno do 64%. "A obsesión do Goberno español por impedir o referendo do 1-O converteuse nunha arma de dobre fío", escribe Ara, "por un lado, baixa o número de persoas que aseguran que participarán e, por outro, crece o independentismo". A distancia entre o 'si' e o 'non' aumenta. Hai un 44,1% de cidadáns que manifestan que responderían afirmativamente á pregunta do referendo e un 38,1% de contrarios. A distancia subiu até os seis puntos porcentuais desde os catro puntos que a enquisa rexistrou en xullo. En canto o resultado do referendo, Ara indica que "a campaña do Estado está tendo poucos efectos entre os partidarios do 'si". De tal xeito que se produciría unha ampla vitoria do 'si' cun mínimo dun 69,9%, diante dun 14,3% de votos negativos e un 2,5% de votos en branco. Os indecisos (participarán mais inda non decidiron o voto) son segundo a enquisa un 13,3%. O traballo de Instituto Opinometre tamén detecta un "impacto" da campaña de represión e dos partidos contrarios ao referendo entre os votantes do PSC, e sinala que se produce "unha forte baixada no número de votantes socialistas e tamén algúns comúns que en xuño e xullo pensaban ir votar e están desistindo". Di que esta tendencia é máis acusada na franxa de idade de 55 a 74 anos que viven en cidades de máis de 50.000 habitantes, "un perfil que corresponde aos votantes socialistas clásicos". |
NOS_3360 | Trump foi o seu modelo durante os últimos anos. Agora, a menos de dez días de que abandone a Casa Branca, a este lado do Atlántico son os seus antigos aliados, os líderes da extrema dereita, quen comezan a abandonalo a el ou, canto menos, a pór distancia tras o impacto na opinión pública europea do asalto ao Capitolio. | Os sucesos do 6 de xaneiro no Capitolio de Washington provocaron unha condena unánime en todo o mundo, aínda que con matices á hora de sinalar responsábeis. No caso dos líderes da UE, moitos apuntaron de maneira máis directa ou indirecta cara ao presidente dos EUA, Donald Trump, como o principal incitador; por exemplo os primeiros ministros dos Países Baixos e Alemaña, Mark Rutte e Angela Merkel, respectivamente. A contundencia non foi tal no caso dos máis leais aliados de Trump durante os últimos anos, tanto os que ocupan responsabilidades de Goberno como os que lideran formacións políticas próximas ao trumpismo: líderes e partidos que na UE se sitúan no espectro da extrema dereita. Así, se ben o asalto foi censurado, despexouse o presidente da ecuación. Non obstante, obsérvanse fendas no aliñamento sen fisuras que caracterizou a época recente: ningún saíu na súa defensa. Por exemplo, o presidente de Eslovenia, Janez Jansa, firme seguidor da figura de Donald Trump, afirmou que "todos deberiamos de estar preocupados pola violencia en Washington. A democracia presupón protestas pacíficas, mais a violencia e as ameazas de morte ─desde a esquerda ou a dereita─ son sempre erróneas", escribía na súa conta do Twitter, sen deixar pasar a ocasión de meter no mesmo saco os seus rivais políticos. Con menos circunloquios abordaron a cuestión desde Hungría e Polonia ─os principais aliados na UE deste Goberno estadounidense─, aínda que tampouco houbo unha defensa explícita de Trump. O primeiro ministro húngaro, Viktor Orbán, dixo que "non nos gusta que nos xulguen, por iso non xulgamos outros países. Non debemos interferir co que está a pasar nos Estados Unidos. Estamos seguros de que poderán resolver os seus problemas", afirmou na súa entrevista semanal na radio pública húngara, Kossuth Rádió. Durante a campaña electoral estadounidense, Orbán afirmara que a reelección de Trump era a "mellor solución para Europa central". Na mesma liña pronunciouse o presidente polaco, Andrzej Duda, que considerou que os eventos en Washington eran un asunto interno dos EUA. Pola súa banda, o primeiro ministro, Mateusz Morawiecki, non se pronunciou ao respecto, aínda que nunha entrevista publicada na fin de semana en Die Welt manifestou a súa "preocupación polo crecente anti americanismo nalgúns Estados membros da UE". O xornal alemán non especifica se esta foi realizada antes do 6 de xaneiro. E cun xesto simbólico despachou o asunto outro aliado de Trump na UE. O primeiro ministro da República Checa, Andrej Babis, retirou das súas redes sociais a pucha vermella co lema "Silné Česko" ("Unha Chequia forte", inspirado no "Make America Great Again" trumpista). Nunha visita á Casa Branca en marzo de 2019, Babis manifestara a devoción polo mandatario estadounidense e anunciara o seu plan "de facer a República Checa grande de novo". Marcha atrás Noutros Estados da Unión Europea onde a extrema dereita está fóra do Goberno, esta quixo pór distancia co até agora aliado e modelo. Por exemplo, Geert Wilders, fundador do Partido pola Liberdade (PVV, nas siglas en neerlandés). "O resultado das eleccións democráticas debería ser sempre respectado, tanto se gañas como se perdes", escribiu na conta do Twitter o coñecido como "O Trump neerlandés". Tamén nesta rede social, o líder da Liga, Matteo Salvini, sinalou desde Italia: "A violencia nunca é a solución, nunca. Viva a liberdade e a democracia, sempre e en todas partes". Nos últimos meses, Salvini fíxose eco en numerosas ocasións, tanto nas redes sociais como nos medios, das denuncias de fraude electoral defendidas por Trump. Ademais, nos meses previos aos comicios apareceu en varios actos públicos con máscaras e gorras da campaña republicana. E en Francia, os eventos do Capitolio ─ou a perplexidade que provocaron na opinión pública─ levaron a presidenta de Agrupamento Nacional, Marine Le Pen, a recoñecer por vez primeira a vitoria do demócrata Joe Biden. Tamén como Matteo Salvini, Le Pen fixo unha forte aposta pola vitoria de Trump, mesmo enviando unha delegación do partido para lle dar apoio nos días previos ao 3 de novembro. Mais da noite á mañá todo cambiou. En declaracións a France 2 un día despois do asalto ao Capitolio afirmou que Trump "non medira o impacto das súas declaracións nalgunhas destas persoas que se viron exacerbadas pola derrota". "A partir do momento en que a certificación dos votos se efectúa, non teño ningún problema en admitir que o señor Biden é presidente dos Estados Unidos", manifestou. As dúas almas da AfD a meses das eleccións Os sucesos do 6 de xaneiro fixeron revivir en Alemaña o sucedido o 29 de agosto en Berlín, cando unha protesta ante o Reichstag contra as restricións pola Covid a piques acaba cun asalto á sede do Parlamento. Lembrouno o presidente alemán, Frank-Walter Steinmeier: "Non esquecemos aquelas imaxes, cando inimigos da democracia ocuparon as escaleiras do noso Reichstag". Entre os convocantes ─e algúns dos incitadores do asalto─ estaban membros e simpatizantes de Alternativa para Alemaña (AfD), que criticou a comparación de Steinmeier. O partido de extrema dereita oscila entre a ala moderada e a ultra, representada respectivamente polos copresidentes, Jörg Meuthen e Tino Chrupalla, aínda que abala máis cara á segunda. Porén, ambos os dous condenaron o asalto ao Capitolio. De cara ás eleccións de setembro está por ver que versión da AfD se imporá. |
NOS_2646 | O domingo 18 de abril en Compostela. | Vía Galega convoca unha manifestación nacional que terá lugar o domingo, 18 de abril, baixo o lema "Galiza nación. Un pobo con dereitos". Sairá ás 11:30 horas da Alameda compostelá e rematará na Praza da Quintana, observando ovid-19. A plataforma indica que esta movilización será "a culminación da campaña que ao longo de seis meses Vía Galega estivo levando a cabo por todo o país". "Somos unha nación. Temos o dereito e a vontade de existir politicamente como pobo soberano. Manifestémonos, o 18 de abril, en Compostela para terminar co asoballamento político, económico, social, lingüístico e cultural polo Estado español, e exixir que as galegas e galegos podamos gobernarnos a nos mesmos". Vía Galega indica que se editaron 15.000 folletos explicativos da condición nacional de Galiza así como 2.000 cartaces. Para a campaña realizouse un vídeo "que define os trazos que conforman a nación galega e un percorrido histórico-reivindicativo de Galiza", así como a gravación de 10 vídeos onde persoas referentes da sociedade galega dan a súas razóns de por que Galiza é unha nación. Entre elas, Manolo Rivas, Isabel Risco, Suso de Toro, Olaia Maneiro, Xurxo Souto, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Neves Rodríguez, Antón Ruanova e Pilar Pallarés. "Con esta campaña, desde Vía Galega, pretendemos combater as mentiras da Galiza subsidiada, desterrar os complexos, desfacer prexuízos e fomentar a estima colectiva para que cada vez sexa máis pobo o que acredite e tome conciencia de que a nación galega existe e ten futuro", destacaba na presentación da campaña Anxo Louzao, un dos portavoces da plataforma. |
NOS_52031 | Paula Pereira, ceramista e creadora da marca Cavalinho do Demo vén de lanzar unha nova peza, desta volta inspirada nos versos da poeta homenaxeada este 2021 co Día das Letras Galegas, Xela Arias. A placa, "Tigres coma cabalos", únese así a outras creacións de Cavalinho do Demo inspiradas en mulleres da literatura e da arte como Rosalía de Castro, Virginia Woolf, María Casares ou Frida Khalo. | -Que a inspirou dos versos de Xela Arias? Teño outras pezas inspiradas en poemas, sobre todo para a elaboración do Premio Manuel Lueiro Rey, que convoca o Concello de Fornelos de Montes, e onde cada ano fago unha peza inspirada nun poema del. Cando vin que as Letras se lle dedicaban a Xela Arias déronme moitas ganas de investigar, coñecer e aproveitar que se homenaxeaba a unha muller. Encantoume todo o traballo de Xela, conectei moito e inspiroume. A primeira peza que creei foi Tigres coma cabalos, e logo elaborei outra baseada no verso "É que teño o corazón de auga derretida desbordando vasos e piscinas". Dúas series limitadas de 50 exemplares que están a funcionar moi ben. -Fálenos da importancia das mulleres na súa obra. Hai moitas mulleres que me inspiran, Virginia Woolf, por exemplo, e toda a súa obra. Fixen sobre ela un fanzine, traducín varios textos ao galego e ilustreinos e tamén o levei á cerámica nunha peza co seu rostro e cunha frase súa. Fixen un floreiro inspirado en Frida Khalo... En xeral, coido que a literatura, e sobre todo a poesía, é o que máis me inspira. E por outro lado a contorna, a natureza, pois o taller está nunha aldea en Fornelos, e iso tamén aparece moi reflectido no que fago, porque Cavalinho do Demo é un proxecto de vida, de reflectir o que é vivir na aldea, facer aquí o meu proxecto... Coido que tamén na miña obra se reflicte a miña ideoloxía como feminista e galega. -Que foi o que a trouxo de volta á aldea? A Laxe é unha parroquia de Fornelos de Montes onde pasei moitos veráns de cativa cos meus avós e que sempre me encantou, así que, hai cinco anos decidín volver e ocupar a casa familiar. Restaurei o taller que tiña o meu avó, que no tempo libre traballaba madeira, e construín así o meu proxecto de vida. Nesta aldea cando cheguei non había case veciñanza, estabamos eu e unha veciña e agora somos seis... Paréceme bonito volver á aldea e non deixar que morra, e teño a sorte de poder traballar aquí, sendo autónoma e facendo aquí o meu traballo. -Que a levou a elixir a cerámica para expresarse? Cando rematei Belas Artes non tiña moi claro por onde quería tirar mais empecei coa ilustración. Despois tiven en Pontevedra un proxecto colaborativo con máis artesáns, onde vendía cousas doutra xente ademais das miñas, comecei a probar coa ilustración en distintos soportes e gustoume moito o resultado na cerámica. Unha vez que ese proxecto rematou especialiceime facendo cursos... Vin para aquí, merquei o forno, montei o taller... Desde entón vou experimentando, probando materiais... Agora estou a probar cun barro que collo no monte, porque me parece importante poder facer todo o proceso cerámico. A artesanía ten moito de experimentar e na cerámica hai moitas posibilidades. -Cales son os proxectos que ten no horizonte? Vou participar na Numax, en Compostela, no proxecto Intemperiadas, feito tamén arredor de Xela Arias. Até agora pasaron polo ciclo unha ilustradora, outra artesá do téxtil e no próximo mes estarei eu con cerámica. Fixen outra peza relacionada con Xela que se vai presentar alí e traballarei ao vivo pero é complexo coa cerámica, por iso levarei unha peza rematada e outra sen rematar para pintala alí. E tamén acabo de ilustrar unha axenda menstrual para o proxecto Matriz Galega. Pareceume unha proposta moi bonita, enfocada en clave galega cos arquetipos da meiga, da feiticeira, da arqueira... E todas as ilustracións están relacionadas con animais de aquí como o raposo, a curuxa... Encantoume facela. |
PRAZA_12046 | O picosatélite realizado pola Universidade de Vigo atópase aínda na fase inicial da súa misión, pero vai cumprindo todos os obxectivos formativos, científicos e comerciais. | O picosatélite realizado pola Universidade de Vigo atópase aínda, unha semana despois de ser posto en órbita, na fase inicial da súa misión, mais, en palabras do investigador principal do proxecto e profesor Fernando Aguado, "pódese afirmar de forma obxectiva e constatable que cumprimos con éxito o proceso de deseño, fabricación, validación e aceptación, segundo os estándares da Axencia Espacial Europea para unha órbita tan esixente". O XaTcobeo dá voltas no espazo moito máis rápido do esperado, seis voltas por minuto fronte á unha ou dous habituais. Así mesmo, o satélite foi exposto a niveis de temperatura extremadamente elevados. Por suposto, están cubertos os obxectivos educativos, xa dende a fase de proxecto e construción, pero o feito de que o satélite estea respondendo sen problemas na contorna espacial máis esixente en canto a niveis de radiación, vibración e temperatura supón unha garantía de que "o sistema funcionará de forma inmellorable en órbitas comerciais, xa que foi validado en condicións moitísimo máis esixentes respecto das que ten operado ningún cubesat ata hoxe", segundo Aguado, que engade que "é un fito que moi poucas universidades poderán compartir". O proxecto entrou xa na seguinte etapa dentro da primeira fase, a da estabilización da plataforma que se realizará de xeito natural e pasivo e que "permitirá levar ao satélite aos rangos de temperatura e xiro esperados e ir avaliando as seguintes fases", explica Aguado. A parte da misión interna que queda por cualificar correspóndese coas operacións da carga útil, os experimentos que o satélite leva a bordo: unha radio-software, reconfigurable en voo e un medidor de radiación que aproveitará a órbita do XaTcobeo para realizar medicións de como a radiación dos aneis de Van Allen afectan á electrónica embarcada. Páxina oficial do proxecto Xatcobeo Conta de twitter de seguimento |
PRAZA_17262 | É unha iniciativa do IES Marco do Camballón, que inclúe sete traballos realizados por rapaces e rapazas de 2º de Bacharelato. Trátase dunha publicación anual e para o vindeiro número quérese abrir á recepción de textos doutros centros de ensino de Galicia | O IES Marco do Camballón, en Vila de Curces, vén de lanzar o primeiro número da revista Marco Numérico, unha publicación de investigación matemática integramente en galego. Con 76 páxinas, inclúe sete traballos realizados nos últimos meses por alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato, da materia Métodos Estatísticos e Numéricos. De periodicidade anual, quérese que para o vindeiro número poidan incorporarse textos doutros centros de ensino de Galicia. "Preténdese dar a oportunidade de que o alumnado do segundo ciclo de ESO e, especialmente, de Bacharelato realice e publique os seus propios traballos de investigación, suxeitos aos estándares de profundidade, rigor e forma habituais do mundo académico", destacan os e as responsables da publicación. Salientan, igualmente, que "a filosofía educativa da publicación baséase no fomento do traballo colaborativo" e subliñan que "a matemática ofrece viva mostra de colaboracións ao longo da súa historia" e en particular "a estatística e o cálculo numérico son dúas das áreas que máis necesariamente demandan este facer-en-común". Cómpre lembrar que o Decreto de Plurilingüísmo aprobado polo Partido Popular en 2010 impide expresamente impartir a materia de Matemáticas en Primaria no seu artigo 6º e no artigo 7º veta o galego nas materias de Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química en Secundaria. Dende o ano 2011 organízase o concurso Explícoche Matemáticas 2.0, un certame dirixido ao alumnado do sistema universitario galego, de Bacharelato, e de 3º e 4º da ESO co obxectivo de "promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas, así como a creatividade do alumnado". Está impulsado pola Facultade de Matemáticas da USC en colaboración coa Fundación Barrié e o Servizo de Normalización Lingüística da USC, e consiste na gravación de curtametraxes de ao redor de dous minutos de duración nas que se explique en galego un concepto matemático. O IES Marco de Camballón é, igualmente, un dos tres institutos que participan na iniciativa da Axencia Espacial Escolar Galega, NOSA, que nos últimos anos lanzou tres sondas á estratosfera. Estes son os sete traballos publicados neste primeiro número de Marco Numérico: A Lei de Benford. Estudo descritivo. Este artigo busca validar descritivamente a coñecida Lei de Benford, que afirma que os números presentes na nosa vida diaria comezan maioritariamente pola cifra 1. Descrifrando o Enigma. Unha vez que temos a análise de frecuencias das letras do texto en clave poñémolo en relación coas frecuencias das letras do idioma de referencia no que está composta a mensaxe. Chove ou non chove? Partindo do rexistro de datos da estación local da rede de Meteogalicia, situada na parroquia de Camanzo, modelízase a evolución das precipitacións como un modelo estocástico. Isto permite estimar as probabilidades de estado chove ou non-chove nun día concreto para o concello de Vila de Cruces se o día anterior choveu ou non. O teorema dos infinitos monos. No artigo analízase a probabilidade de que un conxunto de monos (de 1 a infinitos exemplares) escriba a palabra CAMBALLÓN sobre un teclado. Modelo para o cálculo das pensións. A reforma das pensións do ano 2013 introduciu un novo modelo de cómputo para as pensións. O artigo analiza as distintas etapas de implantación desta lei a través dos coeficientes de axuste que se aplican á base reguladora Correlación de magnitudes exoplanetarias. O artigo analiza a correlación de magnitudes asociadas a exoplanetas confirmados a partir dos datos do NASA Exoplanet Archive. Método de calibración do sensor de ozono MQ131 para placa Arduino. Este traballo pon de relevo de que maneira as matemáticas e os métodos numéricos e estatísticos están relacionados coa robótica. Podes descargar aquí o número 1 de Marco Numérico (.pdf) |
NOS_21484 | O festival "da música afroamericana" decorrerá do 1 ao 3 de outubro. As entradas para os distintos concertos xa están dispoñíbeis. | "Este ano contamos cun cartel fiel á nosa filosofía de tratar de ser a gran cita na Galiza da música afroamericana", explicou o responsábel do Vilablues Fest 2021, Gumer Meijón durante a presentación oficial do evento que decorrerá en Noia do 1 ao 3 de outubro. O certame recupera este ano a súa dimensión máis internacional con estrelas do xénero como o xamaicano Roy Ellis ou os estadounidense Tail Dragger -"posuidor dunha das máis auténticas e destacadas voces do blues de Chicago"- e Shanna Waterstown, definida pola organización como "o tesouro mellor escondido da escena do blues parisina". Aliás forman parte da programación a británica Shirley Davis ou o africano JP Bimeni, cualificado como "un músico orixinario de Burundi ao que os medios internacionais sitúan entre o mellor do blues mundial do século XXI" malia non ser tan coñecido polo de agora. Bimeni actuará con The Black Belts. Homenaxe á galega para Narf Haberá, ademais, unha destacada representación musical galega, entre as que sobresaen o concerto Sempre Narf, en homenaxe ao músico compostelán, e as actuacións de Adrián Costa (vello coñecido deste certame musical), Espiño, Mallou, Blues do País ou Jay Doe & The Blue Preachers. Sobre estes últimos, Meijón indicou no acto decorrido esta sexta feira que representan "o mellorciño do que se está a facer no blues e no soul" actual no país. Unha actividade adaptada a todos os públicos Malia que os recitais destinados ao público amante do blues e outros estilos próximas, tamén haberá diversas actividades dirixidas ao público familiar. É o caso, por exemplo, dunha sesión de xenuina música negra desde La Duendeneta a cargo do xornalista e crítico musical Carlos Crespo e K Dj. A maioría das propostas decorrerán no escenario Fest Galiza, que estará situado no paseo marítimo de Noia. As entradas para os distintos espectáculos do Vilablues poden mercarse xa a través da páxina web www.enterticket.es. Polo de agora a organización mantén o sistema de parcelas e palcos para 2, 4 ou 8 persoas sentadas, pero contémplase a posibilidade de que haxa público de pé. |
NOS_34217 | Luís Álvarez di que as denuncias de familiares sobre a residencia 'Mi Casa' de Pazos de Borbén "poñen en evidencia a perversión do sistema que ten montado o PP". | O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, instou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a "porse a traballar" xa pola Galiza unha vez rematados os "fastos" na sucesión no PPdeG logo da marcha de Alberto Núñez Feixoo para liderar o PP estatal. "Porque a euforia de traballar por unha nova maioría absoluta nas eleccións de 2024 ou de recuperar concellos e deputacións non vai resolver os problemas aos galegos, como tampouco os enfrontamentos co Goberno estatal", dixo. Reter o talento, a saúde e os maiores, os deberes do PSdeG ao novo presidente da Xunta Así, instou Rueda a exercer "xa" de presidente: "Que resolva os problemas que ten a Galiza e deixe as mensaxes de agravios falsos e aborde co Partido Socialista un diálogo fundamental para afrontar, cando menos, tres aspectos fundamentais", sinalou. Así, citou a necesidade de mellorar a situación da Atención Primaria, de avanzar nun novo modelo de residencias de atención a maiores e de activar o diálogo en materia de I+D+i. Precisamente, en relación ás residencias, aproveitou para referirse ás denuncias sobre a atención recibida polos maiores na residencia 'Mi Casa' de Pazos de Borbén para asegurar que "pon en evidencia a perversión do sistema que ten montado o PP" na Galiza após "incrementar a privatización e reducir as inspeccións". Aliás, considerou que o "estilo Rueda" no Goberno galego "non se vai notar máis aló do cambio de cara". "Imos ver máis do mesmo os dous anos que quedan de lexislatura", afirmou. Rueda, elixido sexto presidente da Xunta, promete "continuidade da boa" Por outra parte, instou tamén o novo presidente da Xunta a que "actúe sen tutelas nin tutías" pero tamén "sen baronías". "Que poña fin á tutela e tutía de [Manuel] Baltar e que actúe con criterio propio no Concello de Ourense para pór fin á situación de vergoña que vive a cidade", manifestou. De forma paralela, pediulle "desmarcarse de Feixoo" retomar o diálogo co PSdeG. "Podería empezar recibindo a Valentín González Formoso, a quen Feixoo non tivo tempo de recibir porque andaba por España adiante no canto de atender os problemas da Galiza", afirmou. Por último, sobre o nomeamento da deputada Paula Prado como nova secretaria xeral do PPdeG, Álvarez afirmou que a súa designación tamén será "máis do mesmo" tendo en conta que segue "a mesma liña dialéctica e a mesma interlocución" que o anterior secretario xeral, Miguel Tellado. |
NOS_44766 | O acto de inauguración terá lugar hoxe ás 12 horas na propia Casa da Bola, onde intervirán representantes de Saúde Mental Feafes Galiza e as autoras dos cadros da exposición, que estarán acompañadas por persoas usuarias, traballadoras e familias da asociación DOA Saúde Mental. | Hai catro anos, Carlos Morales puxo en marcha un proxecto baixo o nome Fear of Missing Out, onde pretendía dar a coñecer os problemas de saúde mental en primeira persoa, partindo dun disco como proposta inicial. A partir de aí, a iniciativa tomou vida propia e acabou derivando en Disorders, un proxecto artístico multidisciplinar no que participaron múltiples persoas con problemas de saúde mental de todo o mundo. A parte plástica do proxecto naceu coa vontade de ilustrar o libreto do disco, para o cal Carlos Morales contactou con Saúde Mental Feafes Galiza. Deste xeito, catro persoas usuarias desta entidade e das súas asociacións afíns realizaron un total de 14 cadros, os cales compoñen a mostra que agora visita Cangas do Morrazo. Deste modo, a sala de exposicións da asociación Adicam na Casa da Bola (Rúa Valentín Losada nº1 1º) acollerá, do 28 de febreiro ao 27 de marzo, unha mostra de pintura e ilustracións realizadas por persoas con problemas de saúde mental procedentes de distintos lugares da Galiza. Xolo, da asociación A Mariña (Cervo); Mª Reyes Fragueiro, de Saúde Mental Feafes Galiza (Vigo); e Michel e Ith, de DOA Saúde Mental (Cangas do Morrazo), son as autoras dos cadros que compoñen esta mostra. O acto de inauguración terá lugar hoxe ás 12 horas na propia Casa da Bola, onde intervirán representantes de Saúde Mental Feafes Galiza e as autoras dos cadros da exposición, que estarán acompañadas por persoas usuarias, traballadoras e familias da asociación DOA Saúde Mental. As vindeiras semanas a exposición poderá visitarse de luns a venres de 11 a 13 horas, e polas tardes os luns e os martes de 17 a 19 horas. |
NOS_51031 | "Árvores na Galiza" é un xogo de cartas para aprender as árbores presentes na Galiza. A Semente promove esta maneira lúdica de se achegar a nosa natureza. | "O descoñecemento das árbores por parte das crianzas é enorme e non son quen de distinguir un piñeiro dun carballo ou un eucalipto", comeza Bruno Vilela un dos promotores do barallo desde as escolas Semente. Con este punto de partida decidiron editar un barallo de cartas que está a ter unha extraodinaria acollida e xa se esgotou nalgúns dos puntos de venda. O conxunto recolle as 50 árbores máis frecuentes na Galiza, incluídas algunhas que se atopan en parques e xardíns. Á hora de escoller as distintas especies, alén da súa relevancia na nosa paisaxe era preciso ter en conta as características que se prestaran para o xogo. "Tiñamos que buscar características comúns que fixeran que puideran competir entre sí", explica Bruno ao tempo que anota que non son só autóctonas senón tamén outras como cedro, gingo ou plátano que as crianzas ven nos parques. Tampouco son as máis frecuentes xa que, pola súa relevancia, o barallo inclúe, por exemplo, o carballo anano do Pindo, especie que estivo a piques de desaparecer no incendio do monte mais que logo agromou despois das lapas. O castiñeiro dá puntos Co asesoramento de tres biólogos, desde a Semente artellaron as distintas especies en dez campos cos que xogar, desde o tipo de folla até a densidade da madeira. "Trátase dun xogo co cal o obxectivo é que se familiaricen coas árbores e as distingan a través da carta e logo en contacto coa natureza" sinala Bruno Vilela que ten vontade de que as crianzas se afagan a sobreiras, carballos, aciñeiras ou piñeiros. Os debuxos son do biólogo Martín Souto, experimentado xa na elaboración de guías verdes de plantas e xardíns. Canda o coñecemento, teñen como obxectivo a valoración das distintas especies arbóreas. Alén da madeira inclúen o que chaman o "valor asociado" no que o castiñeiro ocupa o posto de privilexio pola súa produción de castañas, pola vinculación co Apalpador e por outras razóns que fan del unha árbore de especial relevancia na nosa natureza. Nogueira, cerdeira ou oliveira teñen tamén lugares relevantes nun catálogo no que as especies invasoras perden puntos. O proxecto, como todos os das escolas Sementes, é autoxerido e a súa venda reverterá nos centros de Trasancos, Compostela e Vigo. Para se facer coas cartas crearon unha "rede solidaria" de establecementos nos que está á venda mais venturan xa ter que publicar unha segunda edición, dado o bo acollemento da iniciativa. Na páxina de facebook da Semente atópanse os distintos puntos de venda. |
PRAZA_2283 | Os dirixentes de PODEMOS non deberan perder a perspectiva e desviar a esta organización do que foron os seus orixes: unha organización claramente de esquerdas, transparente e fresca, plural e solidaria, aberta e moi receptiva ao sentir popular, consciente e atenta a realidade plurinacional que é España. | Aínda que non ten a mais mínima importancia debo aclarar que nin son militante nin tampouco votante de PODEMOS pero tamén quero deixar claro que de ningures son anti-PODEMOS como parece seren a moda en amplos círculos da esquerda galega i española, moi especialmente da sistémica. Dito isto quero subliñar que como cidadán galego de esquerdas non podo observar mais que con crecente preocupación o xiro que a actual dirección de PODEMOS está dándolle a esta organización sociopolítica tan nova e que no seu día levantou tantas simpatías i esperanzas. Un xiro que parece froito mais da ambición política e o frío cálculo electoral que dunha fonda reflexión política. Un xiro que polas evidencias afecta tanto a diferentes ámbitos da acción política como ao propio funcionamento orgánico de PODEMOS. PODEMOS xa non aparece como aquela organización fresca, moza e vitalista que xurdiu do 15M –indignada e rebelde- con un funcionamento asembleario –"asembleas populares abertas"-, democrático –"democracia real, xa!"-, senón que, cada vez mais, actúa como un partido político tradicional, moi personalista, centralista e democraticamente minguante. Un funcionamento e unha praxes que lle provocan fondas e crecentes fracturas internas, moi notoria por caso en Galiza. PODEMOS xa non parece querer presentarse como unha opción nítida de esquerdas, antisistémica que é o mesmo que dicir anticapitalista, senón que os seus dirixentes fan repetidos esforzos por eliminar do seu discurso esa definición para situarse nunha orbita mais interclasista e centrista –Pablo Iglesias: "o eixo esquerda e dereita non é a clave para cambiar as cousas neste país (…) co xogo esquerda/dereita gaña a banca"-. PODEMOS está creando dúbidas razoables sobre que programa defende. Dende que os profesores V, Navarro e J. Torres elaboraran aquel documento titulado "Un proxecto económico para a xente" no que PODEMOS apostaba con claridade por un proxecto socialdemócrata, ao día de hoxe os frecuentes xiros e cambios de rumbo en aspectos económicos claves –a débeda externa, a renda básica, as xubilacións..-rematan por despistarnos a case todos. Estes bandazos poden provocar que o discurso non sexa crible cando o que se precisa é un programa moi ambicioso que sexa quen de mobilizar as clases populares galegas i españolas. PODEMOS que debería teren sido un referente unitario das esquerdas españolas antisistémicas pode rematar aparecendo, pola súa postura fachendosa con algunhas daquelas e moi especialmente con IZQUIERDA UNIDA (IU) –Pablo Iglesias: "Podemos non chegou para solucionalos problemas doutro partidos"-, como todo o contrario, como un freo cando non un inimigo desa necesaria unión –Pablo Iglesias: "Que se queden coa bandeira roxa e nos deixen en paz"- contribuíndo deste xeito a prolongar un dos problemas crónicos das esquerdas en Galiza i en España: a súa atomización. Realmente mais que diante dun xiro político estamos fronte a unha serie de bandazos –"movementos tácticos"?- que claramente despistan a moitos dos seus simpatizantes e votantes. Un despiste que se reflicte nos resultados electorais últimos (municipais, autonómicas, Catalunya) que pareceren mostrar unha notable perda de forza e de atractivo. Uns resultados que indiscutiblemente apuntan a que eses bandazos non son ben percibidos por moita da cidadanía que inicialmente simpatizaba con PODEMOS como así parecen apuntar as enquisas mais fiables. Uns bandazos que en Galiza afectan tanto a súa política de alianzas –que vai faceren finalmente PODEMOS diante das vindeiras eleccións xerais?, ata onde chega realmente o seu compromiso con ANOVA e AGE?, a onde a súa aposta polas MAREAS?- como a súa propia organización e funcionamento internos –cando van rematar as loitas cainitas, con baixas importantes, que se multiplican en Galiza?-. Aínda están a tempo os dirixentes de PODEMOS de recuperalas súas iniciais sinais de identidade, así como aquela frescura e transparencia que os fixo tan recoñecibles e que lles permitiu gañar tantas simpatías entre a cidadanía galega i española. Aínda están a tempo pero resulta urxente que o fagan pois seguen sendo unha opción necesaria –imprescindible- para un cambio real en Galiza i en España. Os dirixentes de PODEMOS non deberan perder a perspectiva e desviar a esta organización do que foron os seus orixes: unha organización claramente de esquerdas, transparente e fresca, plural e solidaria, aberta e moi receptiva ao sentir popular, consciente e atenta a realidade plurinacional que é España. Un opción anti-sistémica que espertou, no seu día, unha grande esperanza. Unha organización que turra por confluír con outras forzas políticas –como por caso ANOVA e AGE en Galiza- buscando mobilizar así as clases populares galegas i españolas. PODEMOS non debera esquecer que fronte a crise estrutural do capitalismo histórico e a fortísima ofensiva neoliberal so caben, dende unha visión transformadora, dúas alternativas: a) Optar por un plantexamento claramente antisistemico, ou b) Optar por seren un can faldeiro do neoliberalismo como por caso a socialdemocracia europea. |
NOS_25057 | A xustiza recoñece que as persoas presas teñen dereito a falar cos medios de comunicación. | O Tribunal Constitucional (TC) resolveu onte en favor dun preso de Córdoba que fora sancionado por conceder unha entrevista a un xornalista. Coa sentenza de onte a xustiza recoñece que as persoas presas teñen dereito a falar cos medios de comunicación, o que implica o estabelecemento do dereito á liberdade de expresión das reclusas, o dereito á liberdade de información das e dos profesionais e o da poboación a ser informada de asuntos de interese público. A sentenza implica o estabelecemento do dereito á liberdade de expresión das reclusas A resolución de onte da sala segunda do Constitucional deu pois a razón á Asociación Pro-Derechos Humanos de Andalucía (APDHA). Hai dous anos esta entidade aprensentara un recurso ante a negativa do cárcere de Córdoba a conceder a un xornalista unha entrevista cun preso dentro da prisión. O centro impediu o encontro alegando que non existía motivación que xustificase a necesidade da comunicación, e asegurou que non existían garantías para manter a orde nas dependencias. Finalmente, o xornalista realizou unha primeira entrevista ao preso, sen ter o permiso do centro, aproveitando unha visita regular á cadea. Cando se publicou a entrevista, o preso resultou sancionado con privación de paseos e actos recreativos comúns durante un mes. O estabelecemento do castigo para o preso foi denunciado pola APDHA, xa que viña a demostrar que as persoas presas non tiñan dereito a informar nin as e os profesionais da comunicación a solicitar deles información polo feito de estaren recluídos. Onte, desde Institucións Penais, órgano dependente do Ministerio de Interior español, responderon á sentenza do Tribunal Constitucional indicando que xa levan meses preparando unha nova directriz, coa que se abrirá a porta a este tipo de prácticas mais, con todo, anticiparon xa dous límites ben ambiguos: "o regulamento penal" e "a protección ás vítimas". |
NOS_47337 | Intensísimo 9N nas redes, nomeadamente en Twitter. Durante todo o día, a xornada tivo até 4 trending topics no espazo do Estado español. O grande suceso chegou ao final: a última hora, #CataloniaWins, trending topic mundial. | 4 trending topics ao comezo da xornada: #Omplimlesurnes, #HemVotatHemGuanyat, #Jojahevotat #ViscaCatalunya. Enhorabona al @diariARA. Grandíssima portada. Orgullós d'estar-hi subscrit. pic.twitter.com/szPE9dfHL0— CARLES VILARRASA (@Cvilarrasa) 9 novembro 2014 Masiva participación. colas larguísimas para votar. Democracia: 1 - PP: 0 #9N #HemVotatHemGuanyat pic.twitter.com/Rm8HroRYmN— Loba Roja☭♀ (@albacorazonegro) 9 novembro 2014 Creix l'afluència de participants. — SalVador Cardús Ros (@salvadorcardus) 9 novembro 2014 Cues a les meses de la A a Ba al Salvador Dalí, les més fluixes durant el matí. #9NElPrat #9Nalcarrer pic.twitter.com/E0WT9WyBQU— la Riuada (@la_Riuada) 9 novembro 2014 (Foto: @CeliaAtset / @diariARA) Aquesta foto em recorda als meus avis que haurien merescut viure un dia com avui ... pic.twitter.com/06TxbUNn3R— Agustí S.T. 69 lı*ıl (@agustiST69) 9 novembro 2014 No interior do colexio electoral de L'Hospitalet a votación continúa #9NIrmandadeTV pic.twitter.com/YLnTwMdz0q— Irmandade TV (@irmandadetv) 9 novembro 2014 #Fotos: Pep Guardiola participa en el proceso del 9N: http://t.co/eP2Wp0aNJd pic.twitter.com/7MhB0yLJzm— EiTB Noticias (@eitbNoticias) 9 novembro 2014 Observadores internacionales: "Es un ejemplo de democracia y participación" #9N http://t.co/vFjy9N7ceb por @silcolome pic.twitter.com/EEm345hZ4m— La Vanguardia TV (@LaVanguardiaTV) 9 novembro 2014 President Mas a la Fiscalía: "Si buscan un responsable, soy yo" Gran President, gran dia, gran país.— Pilar Rahola (@RaholaOficial) 9 novembro 2014 RT @albertopradilla: Teresa Peyrí Macià, nieta del presidente Francesc Macià, vota en Barcelona. #OmplimLesUrnes pic.twitter.com/vDTuYLj6Fb— naiz: (@naiz_info) 9 novembro 2014 1.142.902 vots fins a la una: el #9N ho peta! Ja és un èxit. No m'ho pensava pas tan bèstia... http://t.co/Kr65SfL7Ac— Ferran Casas (@Ferrancm) 9 novembro 2014 Um povo que, podendo ser outra cousa, se "pom voluntário" para ser espanhol merece umha extinçom dolorosa. Nisso estamos.— Cascarelo (@Cascarelo) 9 novembro 2014 #jojahevotat Galiza presente nas urnas catalanas @anamirandapaz @BNGCatalunya pic.twitter.com/DxLqIcadsj— Jorge Lamata (@JorgeLamata) 9 novembro 2014 Emocionada i feliç després d'escoltar les dades de participació,orgullosa de Catalunya, un país que el volem de tots i x a tots.Hem guanyat.— Carme Forcadell (@ForcadellCarme) 9 novembro 2014 We, the Catalans. Queueing to vote in London. pic.twitter.com/HHyNZLVBC1— Edward Hugh (@Edward_hugh) 9 novembro 2014 Mientras en Cataluña votaban, en Galicia íbamos a misa y metíamos unas monedas en el cepillo. Qué gusto.— Juan Tallón (@xoantallon) 9 novembro 2014 En @jjdiaz87 ha penjat aquesta foto #politiCat pic.twitter.com/mjDF3tCrKg— Política Catalana (@PolitiCatApp) 9 novembro 2014 Fantástica experiencia cos Observadors Internacionals #9N. Gràcies, diolch, eskerrik asko @begotxuo @elinhgj @Efrogwr @MarchGlas @epaluzie— rocio castro (@rcastrotarrio) 9 novembro 2014 Catalunya esta fent la "consulta" antisistema mes gran de la historia!— Jordi Portabella (@jordiportabella) 9 novembro 2014 Homenatge a Catalunya!!! #9N2014 pic.twitter.com/pKf7gdfVfD— Miguel V Penas ✩ (@miguelpenas) 9 novembro 2014 El único incidente del #9n2014 #Girona protagonizado por 5 fascistas encapuchados pro #España https://t.co/8lhVC4Qvb4 pic.twitter.com/pn5aNAgsg3— Manel Márquez (@manelmarquez) 9 novembro 2014 Objectivo declarado era ultrapassar os 2.140.317 votantes. Pelas 18h já tinham garantido mais de 2 milhões de votantes. Sucesso. #9Npt— Filipe S. Henriques (@fhenriques) 9 novembro 2014 Máis de 2 millóns, malia os atrancos, son contundente mensaxe da vontade de ser nación que ningún fanático poderá impedir #CataloniaWins— Xavier Vence (@xaviervence) 9 novembro 2014 Los tanques han desistido al tercer peaje.— León (@leonburrera) 9 novembro 2014 Més de 2000000!!!!! Avui aniré a dormir sabent-me encara una mica més malalt d'amor pel meu país. Bona nit!!!— Lluís Llach (@lluis_llach) 9 novembro 2014 |
PRAZA_16035 | A Asociación de Médicos Interinos de Galicia asegura que as cifras de reais de temporalidade achegadas polo Ministerio de Sanidade sitúan no 35% a taxa na Atención Primaria en Galicia, lonxe do 8% a nivel global do que fala o Sergas | Un de cada tres médicos de Atención Primaria no sistema sanitario público galego traballa "en precario" ao carecer da súa praza en propiedade. Esta é a denuncia que vén de realizar a Asociación de Médicos Interinos de Galicia (Asmig) en referencia a unha eiva ben denunciada desde hai tempo e que contradí as cifras das que fala o Sergas. A Asociación de Médicos Interinos di que as cifras de reais de temporalidade do Ministerio sitúan no 35% a taxa na Atención Primaria Segundo este colectivo, e a pesar de que a Consellería de Sanidade cifra a temporalidade do cadro de persoal en global do Sergas no 8%, os datos do Ministerio de Sanidade sinalan que só 1.201 médicos de Primaria que traballan na sanidade pública galega dos 1.864 en total ocupan praza en propiedade tras superar un proceso selectivo. Sería, xa que logo, unha taxa de temporalidade do 35%, incluíndo aí os últimos médicos de atención persoal domiciliaria. "Non foi doado conseguilos, pero os datos están aí, proveñen do propio Ministerio e son os últimos actualizados, do ano 2016", explica Francisco Lueiro, portavoz de Asmig, que asegura que as cifras teiman nunha "reivindicación histórica" dos profesionais interinos da sanidade galega. "A realidade é que un de cada tres médicos de Primaria non ten praza en propiedade malia ter superado algún proceso de oposición e de acumular, como ocorre nalgúns casos, máis de 25 anos de servizos prestados", advirte a entidade, que asegura que desde o proceso selectivo de 2006 houbo tres máis e quedan dous por facer. Mentres desde a Consellería se fala dunha temporalidade global do 8% e do obxectivo, negociado cos sindicatos, de reducila ao 5%, Asmig advirte de que a taxa é moito maior e que mesmo a nivel global acada unha media do 23%, peor aínda en Primaria. "A Xunta pode dicir o que queira, pero expóñense a quedar en evidencia porque os datos non son rebatibles; o que debe facer é ofrecer as súas cifras e non negar outras sen achegar nada", explica Lueiro. A Consellería fala dunha temporalidade do 8% no conxunto do cadro de persoal do Sergas "A realidade dos médicos de Atención Primaria de Galicia dista moito deste idílico panorama que unicamente existe no mundo virtual no que parece moverse o conselleiro Vázquez Almuíña", denuncia Asmig, que asegura que no caso de executárense as oposicións de 2016 e 2017 a taxa de temporalidade do 35% podería baixar "ata ao 22%", pero aínda "quedaría moi lonxe do 5% que anuncia a Consellería". Serían, segundo indican, 422 profesionais de Primaria que "seguirían en precario". "Pouco parece importarlle ao responsable do Sergas facilitar datos sesgados que ofrecen unha imaxe desexable pero desgraciadamente falasa da crúa realidade da sanidade pública en Galicia" insisten. Así, Asmig insta a "Sergas e sindicatos a deixar de enganar e ofrecer unha solución final a esta situación". "Benefícianse uns colectivos mentres profesionais que levan máis de 20 anos de experiencia continúan sen praza pola insistencia en non valorar e ponderar como se debe a experiencia", remata Lueiro. |
NOS_23767 | Adega denuncia que a falta de protección e os proxectos agresivos que neste momento están en marcha no entorno da Ribeira Sacra están a comprometer a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade. | Catro megaproxectos hidroeléctricos, un en Belesar, outro nos Peares, e as novas centrais de Santa Cristina (Iberdrola) e Edrada (GN-Fenosa) "que implican obras faraónicas", a construción da autovía A-76 e a autorización de novas canteiras no Parque Natural da Enciña da Lastra son os novos proxectos que, para Adega, poñen en cuestión a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Estes proxectos agresivos para o patrimonio histórico e natural xunto co abandono e falta de protección perxudican e mesmo poñen en perigo a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade pola Unesco, segundo denuncia a asociación ecoloxista. Por esta razón, Adega reclama a protección deste espazo único e sinala que "non é posíbel reclamar esta distinción e que ao tempo siga sendo o polígono industrial de Iberdrola e GN-Fenosa ou o cemiterio de millóns de € públicos en infraestruturas superfluas para engordar ás construtoras". Para que o Comité do Patrimonio Mundial lle dea o visto bo á candidatura alén dos valores patrimoniais ten que contar con outra serie de condicións como un sistema de protección que faga que a súa salvagarda está garantida. A Ribeira Sacra tería que cumprir tamén os requisitos de "integridade e autenticidade" alén de informar sobre as posibilidades de degradación e o nivel de conservación e protección. Adega lembra que a Unesco é contundente no tema como se contempla nas súas directrices referidas tanto a materiais físicos como valores naturais. "Tememos que tanto pasadas actuacións como os proxectos agresivos que arestora ameazan a este espazo provoquen que a UNESCO non acredite na seriedade da candidatura", denuncian. |
NOS_35464 | O presidente da Generalitat asina o decreto de designación da Comisión de control da consulta malia a suspensión do Tribunal Constitucional. O goberno español estuda se incurre nun delito. | Artur Mas asinou esta quinta feira o decreto de nomeamento d@s sete membros da Comisión de Control da consulta do 9N malia suspensión cautelar da lei de consultas e o decreto de convocatoria polo Tribunal Constitucional. Unha decisión que para Vilaweb é "un paso adiante na desobediencia política ao TC" e para Nació Digital: "Mas se la juga". Nos medios españois (do ABC e El País) a palabra máis empregada é 'desafío'. Esta rúbrica é a materialización, informa ND, da designación aprobada polo Parlament das 7 persoas que han integrar a comisión. Nesa sesión parlamentar houbo ameazas de PP e Ciutadans por entender que esa simple votación xa era cometer unha ilegalidade. A sinatura chega a véspera da reunión que van ter representantes de CIU, ERC, IC-V e CUP coa intención de adoptar unha resposta unitaria contra a suspensión dictada polo Tribunal Constitucional a instancias do goberno español. "Paremos as aulas, activemos a democracia". Universitari@s polo 9N Varios centos de universitarios manifestáronse esta quinta polas rúas de Barcelona para rexeitar a decisión do TC e defender od ereito do pobo catalán a votar o 9N. "Aturem les classes, activem la democràcia" (Paramos as aulas, activamos a democracia) foi a palabra de orde. O colectivo Desobedeïm acampará desde estsa quinta na Plaça de Catalunya de Barcelona para exixir que as urnas saian á rúa o 9N independentemente do que diga a legalidade española. |
NOS_24970 | As contas do próximo exercicio incluirán o enfoque e a achega do Executivo galego ao proxecto impulsado pola Universidade da Coruña. | Mentres o Ministerio de Defensa agarda por liberar as instalacións da Fábrica de Armas da Coruña, na que segue a empresa Hércules de Armamento a pesar de ter unha orde de desaloxo inmediato da factoría, a Xunta empeza a mover ficha para facer realidade o proxecto de constituír a chamada Cidade das TIC. Segundo adiantou esta terza feira o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixoo, o orzamento autonómico de 2020 incluirá "o enfoque e achega" da administración autonómica ao proxecto impulsado pola Universidade da Coruña (UDC) para crear un polo tecnolóxico nas instalacións en desuso da Fábrica de Armas, ás que o Goberno autonómico tamén lle ten botado o ollo para ubicar alí o novo hospital da cidade. Feixoo e o reitor da UDC, Xulio Abalde, coincidiron nunha xornada sobre Responsabilidade Social Corporativa realizada na Coruña. Preguntados sobre esta cuestión, o titular da Xunta sinalou que "hai un compromiso coas TIC e coa Universidade da Coruña, que foi a primeira que o suxeriu" e que "se se fai ben, con bases sólidas" pode ser moi útil para o sector e a cidade. |
NOS_24606 | A comarca de Ferrol sairá á rúa este domingo día 30 de marzo nunha manifestación convocada polos Comités de empresa de Navantia e da industria auxiliar na defensa do sector naval. A marcha sairá ás 12 horas do Inferniño. | Os Comités de empresa de Navantia e da industria auxiliar convocan unha nova manifestación para este domingo día 30 de marzo con saída ás 12:00 da praza do Inferniño. Reclamarán na nova mobilización o desenvolvemento do sector como única posibilidade para poñer freo aos elevados índices de desemprego na comarca. Para os comités convocantes o anuncio da construción do flotel para Pemex non abonda diante da perda de emprego do sector e reclaman máis unha vez, o dique flotante e máis carga de traballo como unha vía de saída á difícil situación de Ferrolterra. Desde as entidades convocantes lembran que nos últimos meses perdéronse máis de 3.600 empregos das empresas auxiliares cando a construción do flotel só significará menos de trescentos postos de traballo. A manifestación que sairá do Inferniño transcorrerá por distintas rúas do casco histórico para rematar diante do Pazo Municipal, onde se lerá un manifesto. |
NOS_33925 | Galiza actualizou en 2018 a súa normativa de protección e benestar dos animais de compañía. Porén, as entidades protectoras e animalistas alertan de que a lei non serviu nin para reducir os casos de abandono, que seguen medrando, nin para diminuír as condutas máis graves de maltrato. O motivo principal: a falta de aplicación do novo articulado, que carga a Xunta de competencias sancionadoras en detrimento dos concellos, sen que exista un reforzo para a súa tramitación. | En apenas dez días desde o comezo de ano, Galiza acumula xa un mínimo de dous casos de violencia grave contra animais, segundo as denuncias públicas da asociación animalista Libera! que o pasado día 7 alertaba do descortizamento de varios cachorros de can en Allariz e o día 3 sacaba a luz o caso doutro can mutilado en Moaña, ao que se lle amputou unha pata. Ambos os dous casos comparten crueldade co da cadela Alma, cuxa historia chegaba en decembro ao Congreso, aos medios de difusión estatal e mais aos xulgados, tras morrer tiroteada e maltratada en Chantada. Esa visibilidade non é a habitual, malia que entidades como Libera! cifran en 22.000 os casos de abandono animal que se rexistran en Galiza, só no ano pasado, e alertan de que os casos de maltrato non disminuíron coa entrada en vigor da lei galega de benestar animal en 2018. Nese ano, os xulgados, que investigan os casos máis graves, ditaron unicamente 11 sentenzas por maltrato animal, segundo os datos da Fiscalía, e ingresaron 88 expedientes por posíbeis casos de maltrato animal na Galiza. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube. |
PRAZA_528 | O presidente da Xunta aproveita a súa viaxe á emigración para anunciar que o Goberno pretende acabar xa nas vindeiras eleccións xerais cun sistema que o Estado instaurou en 2011 tras un acordo entre os dous grandes partidos, que agora recúan pola baixa participación da diáspora. | O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volve liderar a iniciativa para posibles reformas fundamentais nos procesos electorais. Durante a súa xira, primeiro aproveitou a súa visita a Andalucía para apoiar o PP na campaña electoral que goberne sempre a lista máis votada, presumindo mesmo de que o seu partido é "o máis democrático" por non gobernar nalgúns territorios malia ser a formación máis votada. Pouco despois, xa en Bos Aires, comprometeuse cos emigrantes para derrogar o voto rogado e que os galegos do exterior poidan exercer o voto "nas mesmas condicións que o resto dos españois". Feijóo promente ante os emigrantes derrogar o voto rogado e anuncia que a intención de Madrid é facelo xa para as vindeiras eleccións xerais Así o asegurou Feijóo na convención do PP de Arxentina. Xunto ao presidente da formación no país austral, Alejandro López Dobarro, o presidente da Xunta apostou por que, unha vez garantida a seguridade e identificación do elector da diáspora, "non sexa necesario o voto rogado", unha figura que o Goberno central instaurou en 2011 tras un acordo entre PP e PSOE para evitar os habituais fraudes electorais no exterior pero que provocou unha caída brutal da participación exterior. Agora, os dous grandes partidos queren unirse para unha contrarreforma que xa teñen pactada e acordada. De feito, Feijóo asegurou que o obxectivo é que o Congreso aprobe a nova lei electoral nos vindeiros meses para "poder exercer xa o dereito a voto directo en consultados, embaixadas e centros da colectividade nas próximas eleccións xerais". "Pedimos o consenso do PSOE porrque a lei sempre foi consensuada entre os dous grandes partidos", engadiu o líder do PPdeG. Non terá problema. O secretario xeral dos socialistas, Pedro Sánchez, prometeu a derrogación do voto rogado na súau visita ao Uruguai das últimas semanas. Falta agora por saber se este novo sistema de voto para a diáspora conta cos controis dos que careceu sempre. Pedro Sánchez (PSOE) anunciou tamén que impulsaría a derrogación do voto rogado Foi ao final do derradeiro mandato de José Luis Rodríguez Zapatero no Estado, as Cortes Xerais aprobaran unha reforma da lei electoral orientada, entre outros aspectos, a evitar esta fraude no voto emigrante. Ademais do PSOE gobernante apoiaron a modificación o PP, CiU, o PNV e o BNG. Os principais cambios eran dous: a emigración ía deixar de participar nas eleccións municipais, as consideradas máis próximas á cidadanía e, sobre todo, implantábase o voto rogado, isto é, para participar nos comicios dende o exterior habería que solicitalo antes, ao xeito do voto por correo ordinario. PP e PSOE pactaran un sistema de votación que agora queren derrogar pola baixa participación dos emigrantes O resultado foi o que moitos xa agardaban. As persoas inscritas no CERA deixaron de recibir as papeletas de votación automaticamente na súa casa, pedírano ou non e sen comprobación previa de se seguían vivas. Nas eleccións municipais de 2011 xa non puideron participar e nas xerais de 2011 a súa participación caeu en picado. Daquela a circunscrición galega con máis participación do exterior, Lugo, apenas pasou do 5%, na Coruña subiu levemento do 4% e en Ourense e Pontevedra ficou en algo máis do 3%. Nas eleccións autonómicas de 2012 a tendencia mantívose e a abstención do CERA roldou o 96%. Nas europeas deste 2014 a participación non chegou nin ao 2%. Nos anteriores comicios autonómicos emitiron o seu voto 101.708 dos 335.453 ausentes, isto é, sobre un 600% máis dos que o fixeran. A comparación das porcentaxes de participación tampouco deixaban lugar a dúbidas: o 3,2% de 2012 fronte ao 30,3% de 2009. A participación da diáspora nas últimas eleccións europeas non chegou ao 2% Esta baixa participación a causa da instauración de controis legais é, precisamente, a causa que alude o Goberno central para darlle a volta á reforma. Co apoio do PSOE, que agora tamén cre que aquela operación foi "un erro". Ademais, unha proposta do Parlamento de Galicia promovida en 2008 para estender o voto en urna entre o CERA serve agora de punto de apoio para darlle a volta á situación e pórlle fin ao sufraxio rogado. O voto do exterior vai poder, en definitiva, ser decisivo para os resultados globais no caso dun panorama electoral moi axustado. |
NOS_22844 | 3 de xaneiro, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz parlamentaria do PSOE no Congreso dos Deputados, Adriana Lastra asinaban na capital do Estado un acordo de investidura con diferentes medidas referidas á Galiza. Nós Diario revela a intrahistoria dun pacto vital para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno español. | Os contactos entre o Bloque Nacionalista Galego (BNG) e o Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) sucédense a varios niveis desde os días posteriores á realización das eleccións estatais de novembro. O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, mantivo a vía aberta de maneira permanente con representantes do PSOE. Por outra banda, a comisión negociadora das nacionalistas, formada por Goretti Sanmartín, Ruben Cela e o propio Rego xuntouse en varias ocasións cunha delegación socialista da que fixeron parte a portavoz parlamentaria, Adriana Lastra, o secretario xeral do grupo, Rafael Simancas e, nunha primeira reunión, o deputado pola circunscrición de Pontevedra Guillermo Meixón. Unha parte significativa da negociación desenvolveuse a través dos documentos que se cruzaron mediante o correo electrónico os membros das respectivas comisións negociadoras. Segundo as fontes do BNG consultadas por Nós Diario, "as socialistas rexeitaron unha parte substancial dos primeiros borradores que lles fixemos chegar porque pensaban que se trataba de propostas excesivamente concretas. A pretensión do PSOE era a de asinar un documento moito máis xenérico, sen prazos, na liña dos asinados con outras forzas políticas. Ao BNG iso non lle valía". As resistencias dunha e outra organización na redacción das propostas programáticas agocharon diverxencias máis de fondo. Dirixentes socialistas e nacionalistas coñecedores da negociación indican a Nós Diario que as discusións máis duras xiraron ao redor da transferencia e rebaixa das peaxes da AP-9, do status xurídico para Galiza no marco dunha nova reformulación territorial do Estado, do Estatuto das Empresas Electrointensivas, da dobre tributación das emigrantes e do traslado da planta de Ence fóra da ría de Pontevedra. É precisamente esta cuestión un dos aspectos que máis reticencias xerou entre o equipa de negociación do PSOE, unha vez que o acordo semellaba encarreirado. A información íntegra pode consultala na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube. |
NOS_50839 | É cuarta feira e con ela chega á rotativa o semanario en papel Sermos Galiza, que abre cunha reportaxe que permite coñecer desde dentro dos partidos políticos as cuestións que están en xogo nos comicios electorais. | Marcarán as eleccións municipais a fin do dominio popular no mapa municipal galego? Será quen o PSdeG de estirar o resultado propicio do 28A? Certificarase a remontada do Bloque? Cal vai ser o resultado das candidaturas municipalistas, nomeadamente nas cidades onde goberna? Na reportaxe coa que abrimos o número 346 do semanario Sermos Galiza en papel respondemos estas preguntas cos responsábeis da campaña electoral e con dirixentes representativos dalgunhas das diferentes formacións que concorren ao 26 de maio. En Sociedade atendemos ao aumento de sinistros mortais nas estradas galegas e coñecemos de primeira man a campaña de monitorización dos mamíferos mariños. En Economía poñemos o foco na represión da patronal sobre as sindicalistas, mentres que en Política recollemos as valoracións das candidatas e candidatos galegos ás eleccións europeas. Tamén damos a coñecer o mosaico de mareas locais que concorren aos comicios nos concellos galegos. En Internacional o profesor da UDC e membro de Esculca analiza o xuízo do procés cando vén de ser testemuña, como observador, do procedemento xudicial na Audiencia Nacional. Os 20 anos de Mareas vivas abren o Fóra de Serie, en que entrevistamos Dios ke te crew. Ademais, Mario Regueira convídanos a ler Feliz idade, de Olga Novo, e Andrés Castro, a ver Desenterrando Sad Hill. Jasper Nao escribe sobre o regreso de Skacha e sobre os rolos da pianola versa Notas do mar levado, sección que esta semana asina Alejo Amoedo. O colectivo XEA párase nesta ocasión a amosarnos os pequenos bechos que poderemos atopar entre as flores entre a primavera e o verán, mentres que Montse Fajardo reflexiona sobre como afectou a represión franquista a Galiza. As principais novidades do I/O 2019 e as marcas das bestas de Sabucedo son as temáticas das que escriben Iago Varela e Pepe Barro respectivamente. O selfie protagonízao Nel Vidal. En canto á opinión, esta semana contamos coas sinaturas de Luz Darriba e de Mercedes Queixas, e cos cadriños de Nacho Hortas e Tokio. Xoán Costa escribe sobre as siluetas de madeira no A ollo nu deste número. O Sermos Galiza 346 en papel chega acompañado do suplemento da Mesa pola Normalización Lingüística Somos Galego e por un A FONDO especial, de 40 páxinas, cunha ducia de colaboracións sobre Antonio Fraguas. Un monográfico que se reparte de balde co semanario en papel. Podes mercalo xa na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques. |
NOS_19542 | A Planificación da Rede de Transporte de Electricidade até 2026 aprobada pola empresa pública estatal Rede Eléctrica Española (REE) avanza na tradicional especialización produtiva, perpetuando o papel da Galiza como xeradora de enerxía e de Madrid como consumidora. | Rede Eléctrica Española (REE) presentou a pasada semana a Planificación da Rede de Transporte de Electricidade 2021-2026. O programa recolle actuacións cun investimento de 6.964 millóns de euros e é considerado pola empresa promotora como "un instrumento estratéxico co que se desenvolverán as infraestruturas necesarias para que o Estado español siga gozando dunha subministración de electricidade con altos niveis de calidade e continúe avanzando na descarbonización do seu modelo enerxético". A planificación aprobada por REE e validada polo Goberno de Pedro Sánchez vén perpetuar os deseños económicos vixentes no Estado desde décadas atrás e a especialización produtiva fixada pola división do traballo no Estado. Así, a Galiza reserváselle un papel de produtor e exportador de electricidade barata aos grandes centros produtivos do Estado e de xeito, moi particular, a Madrid. Pola súa parte, a capital do Estado fica como grande beneficiado dun modelo que lle fornece enerxía gratuíta e o libra de asumir os custos sociais e ambientais derivados da xeración eléctrica. Madrid consume Madrid é gran consumidor eléctrico. Segundo as cifras achegadas por Rede Eléctrica Española para 2021, ultima anualidade con datos, a capital do Estado consumiu 27.285.406 de megawatts hora (mw/h). Porén só produciu 1.333.390 de mw/h, véndose obrigada a importar os restantes 25.952.016 mw/h doutras partes do Estado para facer fronte ás necesidades de electricidade de particulares e empresas. Malia que boa parte da electricidade empregada en Madrid procede da Galiza, non hai diferenza no custo para a cidadanía dos dous territorios. Os obxectivos marcados para Madrid pola Planificación da Rede de Transporte de Electricidade 2021-2026 de REE non deixan lugar a dúbida. Así, sinálase que a "Planificación 21-26 desenvolverá actuacións que reforzarán a subministración eléctrica" e que "as novas infraestruturas farán posíbel a chegada de novos fluxos de enerxía desde as zonas da península con abundantes recursos renovábeis, que servirán para cubrir a demanda e para promover a evolución do mix enerxético cara a un máis sostíbel".Na mesma dirección, indican que "co novo plan, Madrid revalidará a súa posición de centro de confluencia e conexión de moitos dos novos eixos ferroviarios". A escasa produción de enerxía eléctrica de Madrid e a ausencia de parques eólicos no seu territorio é resultado de decisións políticas. A este respecto, o integrante do colectivo Bidán, Fernando Branco, lembra a Nós Diario como "no ano 2004 houbo até sete proxectos de instalación de centrais eléctricas de ciclos combinados que usan gas natural e hoxe non ten ningún pola negativa dos políticos madrileños a non cargar co seu custo social e ambiental". Naquel momento, a presidenta madrileña Esperanza Aguirre argumentou en sede parlamentaria que "Madrid non está para producir enerxía". A Galiza produce A Galiza é unha grande produtor eléctrica. En 2021 xerou 24.205.021 mw/h, 17.974.300 dos cales foron de orixe renovábel e 6.230.721 de orixe non renovábel. Segundo os datos de REE, exportou 28,1% do total da electricidade producida, unha cifra na liña das últimas anualidades. A este respecto, Fernando Branco afirma que "o valor dese 28% de electricidade que exportamos, isto é 6.426.339 mw/hora, chega a 715.894.164 euros". O deseño plasmado para a Galiza na Planificación da Rede de Transporte de Electricidade 2021-2026 de REE é claro. Nesta liña aposta "por facilitar a evacuación de renovábeis conectadas á rede de distribución da zona" e contribuír "ao proceso de transición ecolóxica en España, facilitando unha maior integración de xeración renovábel, até 293 gw/h adicionais ao ano". REE está definindo así o desenvolvemento da eólica mariña na Galiza. Nesa dirección, sinala que "a planificación ofrecerá un vigoroso impulso á aposta da Galiza pola eólica offshore. Desta maneira, inclúense actuacións para facer posíbel a futura conexión de xeración eólica mariña en zonas incluídas como prioritarias no Plan de ordenación do espazo marítimo. Para iso, realizaranse ampliacións das subestacións de Xove 400 kw e de Atios 220 kw". Precisamente a subestación de Xove é o punto marcado para evacuar a electricidade xerada polos parques eólicos mariños de San Cibrao e San Brandán, promovidos por Iberdrola fronte á costa da Mariña e Ortegal e rexeitados polo sector pesqueiro. |
PRAZA_7561 | As relacións entre a concesionaria da AP9 e o poder político sempre foron moi estreitas. O ex tesoureiro do PP exerceu durante anos a xestión e representación dos posuidores de bonos dunha emisión de 180 millóns de euros de Autopistas del Atlántico. | Unha das poucas actividades económicas recoñecidas por Luis Bárcenas á marxe das súas responsabilidades como tesoureiro do Partido Popular é a súa relación con Autopistas del Atlántico (Audasa). Así o fixo constar na declaración de actividades que entregou en 2008 ao tomar posesión do seu escano de senador popular por Cantabria. E así figura tamén nos documentos dos bancos suizos nos que Bárcenas tiña depositados cando menos 22 millóns de euros. Nun e noutro lugar figura que Bárcenas era presidente del sindicato de obligacionistas de Autopistas del Atlántico (Audasa). Bárcenas exerceu durante anos ese labor de xestión e representación dos posuidores de bonos daquela emisión de 180 millóns de euros O 27 de febreiro de 2002 a Xunta xeral extraordinaria de accionistas de Audasa acordou proceder á emisión de bonos por un total de 180 millóns de euros. Seguindo o procedemento previsto pola lei e tal como figura no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil do 11 de abril de 2002 "los tenedores de las obligaciones que se emitan formarán parte necesariamente del Sindicato de Obligacionistas, a cuyo efecto se desgina como Comisario con carácter provisional a don Luis Bárcenas Gutiérrez". Bárcenas exerceu durante anos ese labor de xestión e representación dos posuidores de bonos daquela emisión de 180 millóns de euros. Así pois o tesoureiro do Partido Popular mantiña unha relación estreita coa empresa concesionaria e coa que as administracións gobernadas polos populares, nomeadamente o Goberno central, tiñan que negociar con frecuencia. Foi tamén neses anos cando Bárcenas incrementou de forma notable o seu patrimonio, ou cando menos cando o declarou de forma legar ante a administración tributaria xusto nos anos nos que o PP ocupou o Goberno central. Bárcenas multiplicou por 3,5 o seu patrimonio entre 2002 e 2007, e por catro as súas rendas no mesmo periodo. No ano 2000 a cambio da prolongación da autoestrada entre Fene e Ferrol e de que o treito de enlace desde Rande até Puxeiros fose gratuito os populares concedéronlle a Audasa unha prórroga da concesión de 25 anos, de 2023 a 2048 As relacións entre a concesionaria da AP9 e o poder político sempre foron moi estreitas e decote existiu un toma e dálle no que fronte ás reclamacións para que Audasa limitase o incremento do prezo das peaxes ou mesmo liberase algún treito da autoestrada a empresa lle reclamaba á administración unha extensión do periodo de concesión. O máis importante destes acordos tivo lugar no ano 2000, gobernando José María Aznar, e sendo ministro de Fomento Francisco Álvarez Cascos. A cambio da prolongación da autoestrada entre Fene e Ferrol e de que o treito de enlace desde Rande até Puxeiros fose gratuito os populares concedéronlle a Audasa unha prórroga da concesión de 25 anos, de 2023 a 2048. |
PRAZA_2390 | Moito tempo estivo a novena arte estereotipada, condenada vilmente ao limbo do infantil e xuvenil. Afortunadamente xa se empeza a ver con certa normalidade a introdución do xénero tebeístico na docencia a través de charlas, talleres e exposicións. Un testo de Alfredo Pardo | Non lembro o seu título, pero as imaxes do asasino esnaquizando á súa vítima nunha bañeira perseguiume durante moitas primaveras. Especialmente cando cun coitelo eléctrico cortoulle ambas mans. Os inertes ollos abertos e impasibles da muller enviaron unha mensaxe para que correse polo corredor e refuxiáseme entre as sabas. Ignorar os dous rombos e a prohibición dos meus pais de ver Historias para non durmir tivo consecuencias traumáticas: fun incapaz durante 30 anos de durmir coas mans por fóra da roupa de cama. Pero o sinistro e tenebroso seguiume acompañando coas lecturas do semanario de sucesos El Caso ata que unha enfurecida nai dixo que non era esa lectura para nenos. Pronto adoptei substituto no quiosco de barrio coa compra e intercambio dos bolsilibros Bruguera Selección Terror, os cómics Creppy e colección de bizarros cromos acartonados de monstros. Doía as entrañas cando a profesora de E.X.B. pillábache lendo un cómic requisándoo e gardándoo no segundo caixón da súa mesa baixo chave, entre chicles Nena, mini navallas e calquera outra cousa que non fose adecuada para estar nas aulas. Claro que unha hostia preventiva na cara ou ir de castigo de xeonllos cos brazos en cruz na clase dos "grandes" de 8º xeraba no subconsciente unha imaxe da docente un tanto vampiresa. Este amor /odio aderezou a miña paixón vampírica e draculiana, elevándoo ao mito cando Toutain publica o Drácula de Fernando Fernández. Aquela secuencialización do desmembramiento demostrou o poder da imaxe sobre as neuronas humanas. Influenciando o ámbito dos gustos polo tenebroso pero tamén para adquirir frenesí na lida de cómics como Tío Vivo, El Capitán Trueno ou Roberto Alcázar e Pedrín. Creo que a maioría da miña xeración aprendemos a descifrar a lectura a través de Ibañez con Mortadelo e Filemón. A única tecnoloxía existente era o Spectrum e os seus casetes de xogos, que non eran suficiente para aplacar os desexos libertarios e xoguetóns da cuadrilla: as ocultas caladas con sabor a nicotina, as prácticas onanistas grupais, casetas nas árbores, xogos de rúa e trastadas tan imaxinativas como demoníacas. A miña avoa Mª Rosa que foi mestra rural coñecía ben os meus gustos. Cada semana enviábame por Correos dous ou tres cómics enrolados cunha misiva moi concreta: que estudase primeiro antes de lelos, xa se poden imaxinar o que facía primeiro. Hoxe xa corentón e con dous fillos doume conta -a pesar de ter miles de cómics e libros no andel- de que non gozan coa lectura. Está claro que o sistema educativo actual con tantos cambios nas súas leis, dista moito dun ensino creativo e transfórmaos nunha especie de robots aliñados cortados polo mesmo patrón, os excelentes docentes están limitados por un programa específico onde cada vez introdúcese a temperá idade materia case incomprensible para uns cerebros que aínda se están formando. Moito tempo estivo a novena arte estereotipada, condenada vilmente ao limbo do infantil e xuvenil. Pero tamén experimentou incribles cambios. Fíxose adulto, evolucionou en estética narrativa e gráfica, influenciou en moitas artes Rómpenlles a infancia, os seus xogos e o seu potencial imaxinario. Non hai tempo para outras actividades: deberes, estudar, a recentemente moda autoimpuesta de poñer fichas de actividades a maiores do oficioso, exames, etc. déixanlles capados. Con mochilas que pesan máis de 30 kg. en material escolar e entran ao centro como animais ao matadoiro. Sígome acordando do segundo caixón. Por que non podía ler un cómic en clases? A señorita Virxinia tiña a estraña habilidade para comer unha mazá verde ao mesmo tempo que che pegaba na man cunha quilométrica regra de madeira na man. Era as de: A letra co sangue entra e o método non foi moi efectivo. Tardei moito en ler, ata que un día conta a lenda que tirado no chan con moitos cómics empecei a descifrar viñetas en voz alta con continuidade e boa pronuncia. A Ibáñez debémoslle moito, o entretemento e a comprensión de texto, que non é pouco. Moito tempo estivo a novena arte estereotipada, condenada vilmente ao limbo do infantil e xuvenil. Como o cinema sufriu censura, prostituíuse e nalgúns casos realizou un proceso dexenerativo á súa imaxe. Pero tamén experimentou incribles cambios. Fíxose adulto, evolucionou en estética narrativa e gráfica, influenciou en moitas artes e conseguiu situarse no olimpo do respecto e consagración con novos autores. Hoxe as planchas orixinais dalgúns autores colgan en paredes de Museos. Afortunadamente xa se empeza a ver con certa normalidade a introdución do xénero tebeístico na docencia a través de charlas, talleres e exposicións. E todo isto sen castigos nin reprimendas! Afortunadamente xa se empeza a ver con certa normalidade a introdución do xénero tebeístico na docencia a través de charlas, talleres e exposicións. E todo isto sen castigos nin reprimendas! En Galicia, a unión da imaxe a través da banda deseñada no aspecto académico foi en novembro de 2011 coa Xornada: Arte + Narrativa Gráfica organizada polo Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. Interviñeron na presentación Ramón Villares (Presidente do Consello da Cultura Galega), Marisa Sobrino (Coordinadora da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CdCG), e Miguelanxo Prado (artista, membro da sección e coordinador da xornada). Os relatorios foron as seguintes: O cómic na cultura visual contemporánea: de medio de masas á narración gráfica actual de Ricardo Anguita Canteiro, profesor titular do Departamento de Historia da Arte e director do Centro de Cultura Contemporánea da Universidade de Granada. A arte de contar. Orixinalidade e peculiaridades do relato en viñetas de Antonio Altarriba, Catedrático de Literatura Francesa da Euskal Herriko Unibertsitatea, e Premio Nacional de Cómic 2010, como guionista de El arte de volar, co debuxante Kim. A unicidade da linguaxe expresiva da historieta de Juanjo Guarnido, debuxante e autor, entre outros, do serializado cómic Blacksad. A historieta galega: da conciencia política á conciencia artística de Gemma Sesar, editora do Patito Editorial e comisaria da exposición A historieta galega 1973-2008, celebrada non Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela no 2008. En Galicia, a unión da imaxe a través da banda deseñada no aspecto académico foi en novembro de 2011 coa Xornada: Arte + Narrativa Gráfica organizada polo Consello da Cultura Galega A UIMP (Universidade Internacional Menéndez Pelayo) organiza en xullo de 2012 o Encontro: Drácula Cen anos sen Bram Stoker, onde o teórico da historieta e membro de Tebeosfera, Javier Alcázar Guijo, diserta sobre O vampiro no cómic. Neste mesmo ano Kiko da Silva abre en Pontevedra O Garaxe Hermético, a primeira Escola Profesional de Banda Deseñada e ilustración de Galicia, realizando posteriormente un Taller de Cómic no Museo Provincial de Lugo explicando o proceso de creación do seu proxecto Baixo as sombras das pedras flotantes. En 2013 o instituto de Monforte de Lemos A Pinguela empeza a convidar a debuxantes profesionais para impartir talleres de cómics. A UNED de Las Palmas de Gran Canaria xogará cos códigos visuais do 26 de outubro ao 6 de novembro de 2015 na V Unha mirada antropolóxica ao mundo da viñeta ao considerar que a cultura gráfica das imaxes "son o elemento desencadenamento da creación dos símbolos; pero igualmente estes fan referencia ou terminan sendo unha representación dunha realidade histórica e interpretable. A natureza das viñetas non é allea a este feito". O curso que se pode realizar online ou presencial está coordinado por Piñeiro Goretti Almeida Hernández (Coordinadora da Facultade de Educación e Psicoloxía) e Soraya Jorge Godoy do grupo de investigación Montessori (ULPGC). V Unha mirada antropolóxica ao mundo da viñeta conta coa dirección de Daniel Becerra Romeu e Elena Hernández Corrochano, do departamento de Antropoloxía Social e Cultural, UNED das Palmas e Madrid respectivamente. Os seus 20 relatores exporán desde un punto de vista multidisciplinar as viñetas na balanza de interese antropolóxico, analizarán as diferentes temáticas e incitarán á reflexión e á utilización de novos métodos e perspectivas no desenvolvemento da Antropoloxía en todas as súas ramas. |
NOS_41052 | Se esta reportaxe fose un libro, tería que titularse 'Auxe e caída do Deportivo Abanca', pois en menos dun ano o coruñés pasou de ser o equipo revelación da Liga ao fechacancelas. Por sorte, aínda non é tarde para reverter a situación, e as de Manu Sánchez terán mañá en Valencia unha oportunidade para sumar tres puntos de ouro. | O Deportivo Abanca volverá á acción no día de mañá para medir forzas co Valencia, nun encontro correspondente á décimo sexta xornada da Primeira División. Este choque supón un regreso á acción con data de caducidade, pois o partido contra o Sporting de Huelva programado para a próxima terza feira, 27 de xaneiro, xa foi suspendido polo Xuíz de Competición da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) a causa da situación de illamento na que se atopan 22 xogadoras e distintos membros do corpo técnico do conxunto onubense logo de teren sido contacto estreito dunha persoa positiva en Covid-19. As futbolistas coruñesas padeceron unha situación moi similar estas últimas semanas, o que provocou que leven desde o choque ante a Unión Deportiva Granadilla Tenerife Egatesa, disputado na véspera do día de Reis, sen poder xogar, no que foi o enésimo contratempo dunha tempada absolutamente negra para un conxunto que non é senón outra vítima da crise institucional e deportiva da entidade branquiazul, e que antes xa levou a que o primeiro equipo masculino pene hoxe en campos de herba artificial ante equipos semiprofesionais na Segunda División B e que un Fabril que outrora era eterno candidato ao ascenso á categoría de prata non pase de media táboa no Grupo A da Terceira Galega. As chaves dunha desfeita O 6 de maio de 2020 a RFEF oficializaba a fin da tempada na Liga Iberdrola a causa da pandemia, aínda que xa desde principios de marzo levaba sen disputarse partido ningún. Nas 21 xornadas previas á irrupción do coronavirus, o Deportivo Abanca obtivo 11 vitorias, catro empates e seis derrotas, permanecendo invicto durante as sete primeiras datas do campionato e sendo, ademais, o segundo conxunto máis goleador, o que lle serviu para finalizar o torneo en cuarta posición. Esta situación de hai tan só uns meses contrasta radicalmente coa actual, pois o Dépor é o fechacancelas da Liga, con só sete puntos a favor en 13 partidos e 40 goles en contra, máis que ninguén no campionato. A costa abaixo e sen freos da escuadra revelación na 2019/20 explícase pola xigantesca descapitalización sufrida, perdendo a maioría das súas mellores xogadoras, incluída a base da súa defensa, configurada pola porteira Misa, María Méndez e Nuria Rábano. Ademais, tamén abandonaron o Deportivo o cerebro do equipo, Tere Abelleira, ou a capitá Miriam Ríos. No seu lugar chegaron unha serie de xogadoras de ligas menores como a costarricense (Noelia Bermúdez, Stephannie Blanco) ou a colombiana (Lorena Bedoya, Carolina Arbeláez), que veñen demostrando un rendemento moi por debaixo do das súas predecesoras. Até a teórica fichaxe estrela decepcionou, a dianteira internacional Lady Andrade, que procedía dun equipo potente como é o AC Milán, no que actualmente xoga a galega Vero Boquete, que nunha recente entrevista con Nós Diario chegou a afirmar que "se o Dépor logra salvarse, quizais se crucen os nosos camiños". Non obstante, para iso ten que producirse unha espectacular reacción por parte das xogadoras de Manu Sánchez, que recoñeceu que está probando de todo para tratar de reverter a situación, mesmo cousas nas que non cre. As herculinas afrontan unha maratón de partidos chave para lograr a salvación O futuro do Deportivo na Liga Iberdrola pasa por "gañar, gañar e volver gañar", como diría o defunto Luis Aragonés. Nas vindeiras datas as xogadoras branquiazuis afrontarán un maratón de partidos que culminará o 14 de febreiro ante un Betis co que a día de hoxe está empatado a puntos (7) no fondo da clasificación. O obxectivo pasa por recuperar o espírito de reacción que as levou a conseguir dous triunfos consecutivos -os únicos até o de agora- a mediados de decembro pasado. |
NOS_28351 | Desde a Biblioteca Virtual Galega (BVG), ao carón do Grupo de investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) e do Laboratorio de Bases de Datos (LBD) da Universidade da Coruña, levouse a cabo unha páxina web que permite achegármonos á traxectoria vital e á obra de Ricardo Carvalho Calero, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020 | P ara homenaxear a figura de don Ricardo Carvalho Calero e difundir a súa obra neste ano 2020 en que, finalmente, lle foi dedicado o Día das Letras Galegas, desde a Biblioteca Virtual Galega (BVG), vinculada ao Grupo de investigación Lingüística e Literaria Galega (ILLA) e ao Laboratorio de Bases de Datos (LBD) da Universidade da Coruña, decidimos elaborar unha páxina que, concibida como un monográfico, permitise un achegamento non só á traxectoria vital e á obra do autor senón que servise tamén para pór de relevo o impacto, a influencia e, por que non dicilo, a grande admiración que a súa obra ten provocado entre unha enorme parte do público lector galego. Foi con esta vontade coa que se desenvolveu esta iniciativa que, baixo a miña coordinación, foi desenvolvida por Uxía García Conde, estudante do grao en Galego e Portugués da Universidade da Coruña, co apoio técnico do LBD e mais co sostén económico da Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Empregabilidade da nosa universidade. Contamos, tamén, coa colaboración desinteresada e o asesoramento de persoas como Xoán Costa, Mª Pilar García Negro ou Pilar Pallarés, boas coñecedoras da obra de Carvalho Calero, que nos axudaron na selección de textos ou na procura de datos, así como da de moitas outras que nos fixeron chegar observacións ou referencias que descoñecíamos. É de xustiza deixar constancia do noso agradecemento a todas elas, así como ao Parlamento de Galicia que nos cedeu o fondo fotográfico do autor que alí se conserva. Concibida cun afán divulgativo e para ser utilizada sobre todo por un público amplo, esta páxina (https://carvalhocalero. lbd.org.es/) non pretende ser un repertorio exhaustivo senón mais ben unha guía que permita a lectoras e lectores interesados chegaren a obter información relevante relativa tanto á propia produción do autor, como aos estudos académicos ou ás producións artísticas contemporáneas elaboradas a partir da súa obra. Noutras palabras, unha porta de acceso ás múltiples fontes de coñecemento existentes sobre o universo carvalhocaleriano. É por iso que a páxina está chea de hipervínculos a outras fontes de información (outras páxinas monográficas, webs doutras entidades, editoras, repositorios institucionais -como, por exemplo, o RUC da UDC-) que fornecen datos complementares ou que, mesmo, permiten o acceso ao contido completo de artigos, cartas ou materiais audiovisuais. Así, sen perder o seu inicial carácter divulgativo, ábrese a outras posibilidades de aproveitamento, ben de carácter académico (como a procura de información bibliográfica), ben didáctico (como repositorio de recursos). De feito, unha páxina que na súa orixe fora deseñada cuns contidos basicamente bio-bibliográficos e pensada para ser utilizada por un público escolar foi medrando e evoluíndo cara a outro tipo de esquema, ao constarmos a amplitude e diversidade da produción, tanto crítica como creadora, vinculada ao seu protagonista. Isto obrigounos a ir modificando a súa estrutura e organización para poder, por un lado, presentar de modo rigoroso o variado conxunto dos estudos sobre a súa obra e, por outro, dar visibilidade á diversidade da produción non vinculada ao formato libro, isto é, imaxes, deseños, vídeos, documentais ou versións musicais. A páxina, á que tamén se pode acceder a través da BVG (http:// bvg.udc.es/), disponibiliza información sobre a Biografía e a Obra do insigne profesor nas seccións do mesmo título. No caso de Obra é importante indicar que esta aparece organizada por xéneros mais que nela se incorpora unha subsección denominada "Varia" onde, para alén das referencias ás antoloxías e recompilacións, se inclúe unha relación das entrevistas e epistolarios até agora publicados. A seguir, na sección de Textos preséntase unha ampla escolma que permite unha primeira achega á súa extensa produción literaria en todos os xéneros: ensaio, poesía, narrativa, teatro e, tamén, oratoria. A sección de Bibliografía fornece unha completa información sobre os traballos dedicados á análise da obra de Carvalho Calero, agrupados segundo a súa tipoloxía: actas, volumes colectivos, monografías, artigos e capítulos de libro e mais estudos introdutorios. Pola súa vez, en Memoria recóllense moitas das iniciativas e homenaxes que, ao longo dos anos, e desde múltiplos ámbitos da sociedade, lle foron dedicadas (desde libros a actas de congresos, pasando por exposicións ou outro tipo de recoñecementos, como premios co seu nome ou espazos académicos ou culturais a el dedicados). A Fototeca lévanos a un percorrido visual pola biografía e as actividades do autor homenaxeado antes de entrar na sección de Mediateca onde atopamos contidos máis diversos. En primeiro lugar, algúns vídeos permítennos escoitar e ver algunhas das súas intervencións en palestras, entrevistas ou debates. A seguir, inclúese unha relación de diversos formatos audiovisuais de carácter documental (coas ligazóns correspondentes para os poder ver). En segundo lugar, ofrécense algunhas mostras das versións musicadas dos poemas de Carvalho e, tamén, algúns exemplos de representacións gráficas (caricaturas, deseños, viñetas…). Por último, en Páxinas de referencia preséntase unha listaxe de páxinas monográficas dedicadas ao autor, listaxe que non pretende ser exhaustiva pois, como todo o contido do noso propio Especial Ricardo Carvalho Calero, está en permanente actualización. Para finalizar, paréceme importante lembrar que a Biblioteca Virtual Galega (BVG) da Universidade da Coruña, inaugurada o 11 de febreiro de 2002, foi unha iniciativa pioneira desenvolvida por un grupo de traballo interdisciplinar de especialistas en Filoloxía Galego-Portuguesa, dirixido por Laura Tato Fontaíña (Grupo ILLA, http://illa. udc.gal/), e de Informática, coordinado por Nieves R. Brisaboa (Laboratorio de Bases de Datos, http://lbd.udc.es/). A partir de 2007 foi Mª Pilar García Negro quen pasou a dirixir o equipo filolóxico, nunha etapa caracterizada polo case nulo financiamento institucional. Sostida a BVG durante moito tempo practicamente só grazas aos fundos propios do Laboratorio de Bases de Datos e ao traballo voluntario das persoas colaboradoras, o proxecto precisa agora mesmo unha necesaria actualización e posta ao día. [Artigo patrocinado pola Deputación da Coruña] |
PRAZA_490 | Fagamos que o arquipélago dos concellos galegos se transmute na urdime democrática basilar do noso povo, da nosa nación. Fagamos que as candidaturas con vocación de unidade popular e frontes amplas, áxilmente adaptadas ás condicións sociopolíticas de cada lugar, bisbarra ou comarca, devolvan o poder democrático aos viciños e viciñas por todo o paìs e esgacen as redes de arrastre clientelares e caciquís que apañan o voto cautivo do PP. Fagamos, en fin, que nas vindeiras eleicións municipais emergulle a vontade soberana da cidadanía galega e sexan, na Galiza, o equivalente actual do que foran as de abril do 1931. É posíbel, se temos vontade e somos xenerosos e fraternalmente solidarios, os cidadáns activos e nós mesmos: só é imposíbel aquilo que non se ten o coraxe de tentar facer. | -I- En abril do 1931, unhas eleicións municipais déronlle inesperadamente o finiquito á Iª Restauración borbónica e abriron, a nível institucional, o proceso constituínte da IIª República no Estado español. No ámbito interno do Estado, o acontecido neses comicios, co trunfo de candidaturas esplícitamente republicanas nomeadamente en cidades e aglomeracións urbanas, marcara o punto final da descomposición do precedente rexime monárquico encetada ben atrás, que deslexitimara aos dous partidos dinásticos, acadara o seu climax institucional coa Ditadura de 1923-29 e traducírase, no seo da sociedade civil, nun soterrán proceso de-constituinte, no que as nacións-sen-estado galega, euskalduna e catalá afirmaban a sua vontade de seren suxeitos polìticos soberáns. Simultáneamente, no contexto externo, a Grande Depresión aberta co crack do 29 exacerbara o confronto entre as maiorías sociais vítimas da crise sistémica e as oligarquías plutócratas que a causaran, e a emerxencia das malformacións nazi-fascistas, apoderadas do Estado en Italia e Alemaña, convirtira en cuestión de vida ou morte para o común cidadán o dilema entre democracia e totalitarismo, entre liberdade e tiranía -ao cabo, entre 'socialismo ou barbarie'. No proceso de avance histórico en espiral -que proxectada sobre un plano pode aparentar ser círculo- estamos a vivir unha etapa análoga ou equivalente. Para empezar, agora como daquela padecemos a fase terminal dunha crise de hexemonía no sistema-mundo, reduplicada no noso ámbito continental pola do aberrante edificio actual da UE, convirtido nun IVº Reich alemán sen cruces gamadas, que nos atinxe e esgana de máis perto. Tamén outra Grande Depresión, desencadeada igualmente por un crack financeiro en Wall Street, desta vez no 2008, agravada no ámbito europeu precisamente por mor das eivas estruturais conxénitas no deseño 'Maastricht' da UE e logo da 'Eurozona'. Asimesmo o irreversíbel proceso de descomposición do rexime da Restauración borbónica, agora a IIª, parida na chafallada da 'Transición', e análogamente nun contexto de emerxencia de metamorfoses -ou metástases- dos fascismos de outrora con diferente morfoloxía anatómica, mais idéntica patoloxía fisiolóxica. En fin, tamén está en curso, cando menos dende hai un lustro, un progresivo proceso de-constituínte do rexime constitucional de 1978 que se opera combinadamente na 'sociedade civil' e máis nas institucións da 'sociedade política', de xeito que as dinámicas en curso nesas duas instancias retroaliméntanse entre sí. Agora como daquela padecemos a fase terminal dunha crise de hexemonía no sistema-mundo, reduplicada no noso ámbito continental pola do aberrante edificio actual da UE Nas institucións políticas, progresiva abolición de facto da armazón constitucional do 'Estado social e democrático de Dereito' e da 'economía social de mercado' (co seu cerne nos Títulos Preliminar e Primeiro da Constitución), así como do rexime autonómico na 'organización territorial do Estado', tanto na dimensión política das CCAA (o famoso 'Estado das Autonomías), canto na administrativa do rexime local (a autonomía municipal dos Concellos) -proceso acelerado e exacerbado dende a accesión do PP ao poder central do Estado. E na sociedade civil, a constante expansión e diversificación do proceso de 'rebelión cívica' encetado polos segmentos de cidadanía máis consciente e/ou máis agredida: mocidade 'indignada' do 15-M, plataformas sectoriais de auto-defensa fronte ás agresións espoliadoras (na vivenda, nos aforros, na saúde, na situación laboral, na asistencia social, na educación, nos recursos naturais e medioambientais), 'Marchas pola dignidade' do común cidadán, e así seguido -ao cabo, unha cidadanía decidida a praticar a democracia participativa para asumir directamente a defensa dos seus dereitos, intereses e necesidades que encomendara a unha degradada caste de representantes que non a representan, senón que a treicionan. Estamos perante a segunda oportunidade -e necesidade- dunha creba democrática en corenta anos. A primeira, ao final do franquismo, frustrouse e murchou Así, nas institucións políticas, os dous partidos 'dinásticos' do rexime, ao servizo (PP) das oligarquías reaccionarias, ou submetido (PSOE) a elas, acometen a angueira de-constituinte meiante a demolición do edificio constitucional de 1978. E na sociedade civil, a cidadanía exercente como tal emprende unha loita a prol da restauración da democracia que, de feito e como realidade obxectiva, resulta ser un proceso pre-constituínte dun novo rexime que forzosamente pasa polo finiquito da IIª Restauración e o tránsito a unha cultura e un modelo republicáns. Noutras verbas: estamos perante a segunda oportunidade -e necesidade- dunha creba democrática en corenta anos. A primeira, ao final do franquismo, frustrouse e murchou -e estamos a pagalo xa dende aquela e maiormente arestora. Estoutra, segunda, temos a obriga ineludíbel de lograr entre todos que floreza e trunfe: está en xogo non só a nosa propria vida, senón tamén a dos nosos fillos -e inclusive, para a miña xeración, a dos nosos netos. Velaí, ao meu ver, o croquis do escenario no que van ter lugar as vindeiras eleicións municipais. Pode acontecer agora o equivalente do abril de 1931?. - II - Decataríadesvos seguramente de que o esquema 'bipolar' do proceso de-constituínte do actual rexime tracexado máis arriba resulta incompleto para dar conta cabal da dialética que o dinamiza. É un deseño con só dous actores. O protagonista -democrático- opera no seo da 'sociedade civil', onde a cidadanía que se rebela é o motor do proceso de transición cara un novo ciclo histórico-político -e, xa que logo, cara un novo rexime que o común cidadán quere realmente democrático e republicano. O antagonista -antidemocático- opera nas actuais institucións da 'sociedade política', onde os dous partidos dinásticos da IIª Restauración teiman en perpetuala, como aprendices de bruxo dun imposíbel 'final da Historia' en versión doméstica celtibérica, ao servizo (PP) ou submetido (PSOE) aos dictados das oligarquías plutócratas. Socialmente, un e outro están confrontados entre si nunha contradición antagónica, poisque respeitivamente un diles -o protagonista- encarna, e o outro -o antagonista- obedece, a irredutíbeis inimigos de clase: dunha banda, o común cidadán, internamente diverso, mais constituído polo universo das clases traballadoras in extenso; doutra banda, a oligarquía plutócrata que manexa aos partidos dinásticos como un ventrílocuo aos seus monifates. Porén, políticamente, un e outro retroaliméntanse, como xa dixen, no proceso de descomposición do actual rexime: un, dinamitando por baixo os seus alicerces sociais; o outro, desmontando dende arriba a sua armazón constitucional -Pisarello diría talvez: suplantándoo subrepticiamente por un 'constitucionalismo oligárquico'. Mais ben se bota de ver que, nese esquema, falta un terceiro actor. Refírome ás forzas políticas que asumen posicións e desenvolven práticas rupturistas co actual rexime monárquico e o modelo de Estado imposto dende arriba na famosa Transición. Forzas de diverso feitío ideolóxico-político, mais que teñen en común o suscribiren dous postulados clave para a superación do actual rexime. Un: a realidade sociopolítica plurinacional do EE, e portanto a existencia de varios suxeitos políticos soberáns con dereito a decidiren o seu destino -ou sexa, autodeterminárense de vez. Outro: o rexeitamento do ultraliberalismo rampante tanto no EE coma na UE. Polo demáis, é un conxunto heteroxéneo, poisque as suas alternativas a cada unha desas dúas cuestións son disímiles en alcanzo e radicalidade: dende o independentismo ao pacto federal de abaixo arriba, verbo da primeira; e, verbo da segunda, dende o anticapitalismo ao reformismo socialdemócrata veraz -o referente do 'capitalismo reformado' da IIª postguerra- ou inclusive se cadra o socialcristiano do mesmo período. Até o de agora, ese arquipélago de esquerdas rupturistas non foron -non fomos- quen de cumplir acaídamente coas suas (nosas) obrigas a respeito do común cidadán Con todo, menos distancias existen, sobre o mapa, entre os respeitivos níveis de asunción deses postulados no subconxunto -inda así nada homoxéneo- das forzas que poden e deberan ser o 'motor auxiliar' da rebelión cívica rupturista. Refírome agora ás forzas políticas da esquerda rupturista propiamente dita. Tanto as autótonas e soberáns existentes en cadansúa nación-sen-estado (Galiza, Euskalherría, Catalunya-Paísos cataláns), canto as de ámbito estatal, teñan representación no aparello institucional do EE (IU) ou inda non (Podemos). E velaí onde radica o factor complementario decisivo, mais tamén até agora o problema, para que o proceso de creba democrática se resolva en trunfo da cidanía fronte ao actual rexime oligárquico de facto. Decisivo, porque difícilmente a rebelión cívica poderá culminar o proceso de-constituinte que agora lidera, e protagonizar un proceso constituínte ex-novo, sen a aportación pola esquerda rupturista dun proxecto común para alén da ruptura, elaborado en simbiose coas organizacións, plataformas e movementos enxendrados no proceso de rebelión cívica no seo da sociedade civil e agora decididas a seren actores de seu tamén no combate político-eleitoral. E problema porque, até o de agora, ese arquipélago de esquerdas rupturistas non foron -non fomos- quen de cumplir acaídamente coas suas(nosas) obrigas a respeito do común cidadán protagonista do proceso e as suas loitas. Non as cumplimos acaídamente en cando menos tres ordes de valores cruciais para o desempeño do(s) noso(s) rol(es), a saber: a representatividade, a exemplaridade e a fraternidade. No primeiro, non ficamos inmunes ao andacio da crise que está a padecer o método da 'democracia representativa', no que os partidos -e máis obrigadamente os da esquerda- teñen que ser as pontes polas que transiten as demandas de cadanseu grupo social -clase ou fracción de clase- cara as institucións polìticas para seren satisfeitas. Nomeadamente as consistentes en alternativas programáticas. Non dáremolo feito cumpridamente -por falla de criatividade, de lucidez, ou de coraxe político- ten deteriorado a nosa credibilidade perante os cidadáns, e xa que logo a súa confianza en nós. No segundo, a non erradicación de certos vellos atavismos partidarios, conducíunos abondas veces a enlearnos en fúteis disputas internas 'de aparato', incompatíbeis coa exemplaridade decote necesaria e, na esquerda, indispensábel. E no terceiro, a obsesión por manter ou agrandar os lindes das nosas peculiares 'leiras' sociais ou eleitorais levounos a praticarmos a competición no canto da cooperación, a parcelación no canto da agra aberta, o egoísmo patrimonial no canto da fraternidade. De xeito máis pertinaz e nocivo nas confrontacións eleitorais: non demos construído frontes amplas, populares, fronte a un implacábel inimigo común de todos nós e -o que máis importa- do común cidadán agredido pola tiranía do poder estabrecido. Se as forzas da esquerda rupturista non reparamos eses nosos erros e deficiencias non seremos o potente motor auxiliar que reduplique a dinámica de rebelión cívica cara unha creba democrática que dea cabo deste rexime corrupto Se as forzas da esquerda rupturista non reparamos eses nosos erros e deficiencias, se non demostramos á cidadanía loitadora que estamos decididas a praticar a exemplaridade, a representatividade e a fraternidade, ou sexa, a asumirmos un proxecto común de e para o común cidadán e catapultalo eleitoralmente meiante frontes amplas de unidade cidadán, non seremos o potente motor auxiliar que reduplique a dinámica de rebelión cívica cara unha creba democrática que dea cabo deste rexime corrupto. Daquela, terían que facer o choio todo os cidadáns sós e por si mesmos -e nós, ao cabo, estariamos de sobro nese proceso. A última ocasión perdida até agora fórono as eleicións europeas -e as consecuencias son tan evidentes que non precisan de comentario ningún. Falta saber se o imos lograr nas municipais. Algúns estamos a intentalo honesta e decididamente -e Anova é unha mostra patente na nosa prática. Mais 'unha anduriña non fai verao' -somos humildemente conscientes de que ese certeiro aforismo labrego énos de aplicación. Compre logo que todos nós, cidadáns protagonistas e forzas da esquerda rupturista, aremos agora xa nesa agra aberta. Fagamos que o arquipélago dos concellos galegos se transmute na urdime democrática basilar do noso povo, da nosa nación Fagamos que o arquipélago dos concellos galegos se transmute na urdime democrática basilar do noso povo, da nosa nación. Fagamos que as candidaturas con vocación de unidade popular e frontes amplas, áxilmente adaptadas ás condicións sociopolíticas de cada lugar, bisbarra ou comarca, devolvan o poder democrático aos viciños e viciñas por todo o paìs e esgacen as redes de arrastre clientelares e caciquís que apañan o voto cautivo do PP. Fagamos, en fin, que nas vindeiras eleicións municipais emergulle a vontade soberana da cidadanía galega e sexan, na Galiza, o equivalente actual do que foran as de abril do 1931. É posíbel, se temos vontade e somos xenerosos e fraternalmente solidarios, os cidadáns activos e nós mesmos: só é imposíbel aquilo que non se ten o coraxe de tentar facer. Aguiar, marzal do 2015 |
NOS_43225 | Os salóns de peiteado e centros de estética realizaron hoxe unha xornada de protestas en todo o Español para reclamar a baixada do IVE e a súa consideración como servizo básico. | O sector dos salóns de peiteado e a estética realizou hoxe senllas concentracións en Ourense e Pontevedra para denunciar que "está farto" de pagar o IVE "coma se fose un produto de luxo", cando durante a primeira onda tiveron a consideración de servizo esencial. A concentración, que se desenvolveu simultaneamente en 77 cidades españolas, serviu para mostrar a súa situación, que cualifican de "agónica e de sangría fiscal", por iso esixen que o IVE pase de 21% a 10%. Fronte á Axencia Tributaria de Ourense, as profesionais deste sector concentráronse en silencio para facer visible a súa reivindicación. Vestidos de negro e portando carteis amarelos co logo da concentración estatal ─unhas tesoiras e un peite atravesados pola lenda 'Non ao 21 por cento'─, as persoas participantes advertiron que "máis da metade dos salóns de peiteado do Estado español están en perigo de desaparecer" co imposto e a situación actual. Nesta liña, a presidenta da Asociación de Salóns de peiteado e salóns de beleza de Ourense, María José Rocholl, situou en 20% o número de estabelecementos deste sector que se viron obrigados ao feche ou a reducir o número de empregados desde o inicio da pandemia. "Non pedimos que nos rebaixen o IVE, senón que nos devolvan o reducido que nos corresponde como sector que se demostrou esencial co título que xa propiamente nos deron na primeira onda da pandemia", aseverou a presidenta da asociación. Protesta en Pontevedra Fronte á delegación de Facenda da cidade de Pontevedra congregáronse preto dun centenar de persoas chegadas de distintos puntos da comarca, grazas ás autorizacións que puideron repartir os organizadores. A presidenta da Asociación de salóns de peiteado da provincia de Pontevedra, Beatriz Pintos, explicou que cando subiron o IVE a 21% en 2012 "estabamos a pasar por unha crise e dixeron que ía ser momentáneo e que logo volveriamos ao anterior, pero levamos xa 8 anos esperando e non aguantamos máis". Pintos advertiu de que o feche de salóns levará a que suba o paro e haxa economía paralela. "A situación da pandemia está a afectarnos polo aforo reducido e porque non hai eventos. A hostalaría ten tamén o noso apoio porque nós tamén vivimos diso", destacou. |
NOS_39416 | A Comisión Europea parabenizou esta terza ao executivo presidido por Mariano Rajoy por retrasar a idade de xubilación aos 67 anos, mais ínstalle a profundizar máis nesa liña | A reforma das pensións aprobada en 2011 retrasa a idade de xubilación aos 67 anos. Unha medida que a Comisión Europea vén de alabar ("ten un impacto positivo visíbel", afirma) e de sinalar como adecuada. Mais non chega. Bruxelas alerta de que aínda con esa medida, o gasto de pensións no estado español estaría até 2060 por riba da media comunitaria. E por iso apunta a que "hai que dar sostibilidade ao sistema de pensións" incluíndo para iso "un vencello entre idade de xubilación e esperanza de vida", para ir retrasando de forma progresiva a idade de retirada do traballo. A Comisión Europea considera que o gasto de pensións ten que "frenarse". Unha declaración que chega pouco despois de que o goberno español decidide non actualizar as pensións coa suba do IPC, producindo unha perda de poder adquisitivo entre xubilad@s e pensionistas. Risco de exclusión A decisión do goberno español de non actualizar as pensións provocará aos e ás pensionistas unha diminución considerábel nos seus ingresos, de entre 140 e 400 euros. Máis nun país, Galiza, que con 701 euros de pensión media, mantense como furgón de cola do Estado español. En Galiza hai 736.000 pensionistas. |
NOS_40192 | O triunfo do 'non' no referendo grego sentou tan mal no 'establishment' europeo que convida a plantexar se a vitoria do 'OXI' inaugura unha nova etapa na UE ou porén se impón a continuidade do modelo, previa pequenas variacións. | O 26 de xaneiro, non pasaran 24 horas da vitoria de Syriza nas eleccións gregas, Martin Schulz, presidente da Euro-cámara, lanzaba 2 advertencias aos triunfadores nas urnas: a Unión Europea non ía aceptar unha quita da débeda e deixaría de axudar o país heleno se o novo goberno non cumpría os seus requisitos. Syriza, que gañara as eleccións cun programa anti-austeridade mais sen cuestionamento do euro ou da UE, non tivo das institucións os 100 días de cortesía. Seis meses despois daquelas eleccións, o triunfo do 'non' á proposta de acordo da 'troika' nun referendo convocado por Atenas volvía caer como unha bomba no 'establishment' europeo. E iso que o resultado albiscábano en Bruxelas dous días antes da consulta: o resultado dunha enquisa secreta encargada pola UE vaticinaba unha cómoda vitoria do 'oxi' (non). De aí que na xornada anterior ás votacións, os discursos de Donald Tusk (presidente do Consello) e W. Shäuble (todopoderosos ministro de Finanzas alemán) foran contemporizadores a respecto da que eles propios, e outros mandos europeos, dixeran pola semana. E agora, que? Gañou o 'non, e agora, que? O analista portugués Sérgio Aníbal sostén que estamos perante unha encrucillada: ou hai acordo rápido entre Atenas e Bruxelas ou Grecia vai encamiñar "cara á medios complementares de pagamento, o que se ve como un primeiro paso cara a saída do euro". Mais desa saída do euro, o 'Grexit', Atenas non quer ouvir falar. No acordo asinado o día despois do referendo entre Syriza, Nova Democracia, Pasok, Anel e To Potami -acordo para servir de guía nas negociacións con Bruxelas-, dise claramente: "O resultado do domingo non é un mandato de ruptura, senón para consolidar esforzos para un acordo xusto". A reportaxe, a dupla páxina, tela completa neste nº 153 do semanario Sermos Galiza. Acompaña a reportaxe as opinións de Antón Losada, Alba Nogueira, Gonzalo Rodríguez e Eloy Miranda. |
NOS_16860 | Junts per Catalunya anuncio este domingo que encabezará a súa candidatura ás eleccións europeas Carles Puigdemont, exiliado en Bélxica. | Carles Puigdemont, ex president da Generalitat de Catalunya que actualmente se atopa exiliado en Bélxica, será o cabeza de lista de JxCat ás eleccións europeas. O acordo electoral ao que chegaron o PDeCat e a Crida para os comicios europeos, estatais e municipais recolle o compromiso de incorporar nas candidaturas, como número un, presas e presos políticos e exiliados. Así o anunciaba este domingo Elsa Artadi, portavoz de Junts per Catalunya no Parlament, "será a mellor maneira de denunciar a represión que vivimos. Unha voz libre, como a do president Puigdemont", sinalaba Artadi. Á vez, o president no exilio afirmaba a través das redes sociais que traballará para internacionalizar o dereito á autodeterminación de Catalunya desde o corazón de Europa para todo o mundo. Puigdemont xa encabezara a lista de Junts per Cat ás eleccións xerais de decembro de 2017. O PDeCat e JxCat tamén acordaron que Jordi Sánchez, a conselleira Laura Borràs, a vicepresidenta do partido, Míriam Nogueras e o eurodeputado Ramon Tremosa conformen os primeiros postos da lista ao Congreso español. Dado que Sánchez permanece en prisión, a líder efectiva de Junts per Catalunya en Madrid será Borràs Aliás, decidiuse que Artadi sexa a número dous de Quim Forn ás eleccións municipais de Barcelona e que a ex conselleira Neus Munté sexa a número tres. ERC tamén anunciou que as súas candidaturas aos próximos comicios serán encabezadas por presas e presos políticos. De feito, aprobou situar Oriol Junqueras, que está a ser xulgado polo Supremo, como cabeza de lista ás europeas e ás xerais. |
PRAZA_2867 | Vítimas do accidente do Alvia esixen, ás portas das eleccións xerais, que a nova lexislatura estatal sirva para "depurar responsabilidades políticas" a respecto da catástrofe, practicamente ausente na campaña electoral. | Este xoves cumpríanse dous anos dende que, por primeira vez, un bo número de vítimas do accidente do Alvia na parroquia compostelá de Angrois se concentraba ante o Congreso dos Deputados para esixir "verdade, xustiza e reparación". Neses vinte e catro meses transcorreu unha instrución xudicial que, tras imputacións e desimputacións de altos cargos, deixou o maquinista do tren como único imputado e, paralelamente, as sucesivas peticións de investigación política bateron coa negativa rotunda do PP e co "non" ou a abstención, segundo os casos, do PSOE. A aprobación desa investigación nas Cortes é unha das materias pendente para a lexislatura que se abrirá tras as eleccións do domingo, na que unha nova maioría podería facilitar a súa apertura. Este xoves a Plataforma Alvia 04155 volveu ao lugar da primeira concentración, ante o Congreso en Madrid. "Hoxe hai dous anos da primeira foto e semella que nada cambiou; efectivamente, seguimos pedindo o mesmo". No entanto, din, "si hai cambios: fixémonos máis fortes, sacamos á luz verdades ocultas", algunhas a través do documental Frankenstein 04155, que agora xira polas salas comerciais tras triunfar en festivais como Cineuropa. "Cada vez que saímos temos máis apoios" para, advirten, seguir a "reclamar xustiza", pero non só nos tribunais. Na nova lexislatura seguirán a exisir "unha comisión de investigación para depurar responsabilidades políticas nun país onde nunca dimite un político". "Témolo difícil, pero a sociedade vai ver o engano e a falta de xustiza en catástrofes como a nosa", aseguran. Para lograr ese obxectivo, a apertura da comisión que se lles negou tanto no Congreso como no Parlamento de Galicia, lograron xa recabar o compromiso das forzas que xa a viñeron apoiando nestes dous anos -no caso galego, AGE e BNG-, e tamén das formacións que, segundo as enquisas, terán peso relevante dende o 20-D, Podemos e Ciudadanos. Ademais das forzas que xa a apoian, como o BNG, as vítimas lograron o compromiso de Podemos ou Ciudadanos As vítimas apelan á memoria das 80 persoas que perderon a vida en Angrois e ás secuelas que aínda arrastran máis dun cento de vítimas que resultaron feridas para reiterar a necesidade de coñecer "a verdade" e mesmo obter a petición de "perdón". "Non se produciu dimisión nin destitución de quen estaban e están á fronte do Ministerio de Fomento nin das empresas públicas Adif e Renfe", as mesmas cuxos responsables chegaron a estar imputados por dúas veces mentres instruíu o xuíz Aláez un procedemento xudicial que, tal e como detallou este diario, estivo inzado de erros e demoras. A plataforma esixe "depurar responsabilidades políticas" e aclarar asuntos como a desactivación do freado automático No caso de abrirse esa comisión de investigación, din as vítimas, habería que ir alén do erro humano que, obviamente, se produciu na curva da Grandeira. Entre as responsabilidades que cómpre depurar, detallan, están as vinculadas á desactivación do sistema ERTMS de freado automático, a premura en inaugurar a liña Ourense-Santiago en decembro de 2011, o aviso do xefe de maquinistas de Ourense sobre a falta de seguridade na curva antes de que se producise o accidente e mesmo as características técnicas do propio tren Alvia que, segundo diversos expertos, foron tamén determinantes no descarrilamento por cuestións como o seu peso. Nesta campaña abriuse ás présas un novo treito do que será o AVE a Galicia Todas estas peticións chegan tras unha campaña na que o accidente de Angrois estivo, agás excepcións, practicamente ausente. No entanto, e como avanzou Praza, nesta carreira electoral o Ministerio de Fomento aproveitou para, novamente ás présas, poñer en servizo este xoves un novo treito do que, nun futuro, será o AVE a Galicia. Angrois, ano dous |
PRAZA_20688 | Logo de que Sada declarase "non grata" a familia do ditador, o BNG solicita ao Parlamento que os seus herdeiros sexan reprobados en Galicia e En Marea, que apoie todas as iniciativas do municipio. A entidade franquista gaba o ditador e di que debe defender as "vítimas da Fronte Popular" | A familia Franco xa non é benvida no Concello de Sada, logo de que a corporación municipal aprobase o pasado sábado en pleno extraordinario declarar persoas non grata aos descendentes do ditador, propietarios do Pazo de Meirás. O anuncio de que a Fundación Francisco Franco xestiona o BIC, a confirmación de que empregará este labor para facer apoloxía da ditadura e a posición morna da Xunta xa mobilizara entidades civís e pola memoria e varias administracións públicas. Co paso dos días, a maquinaria legal e política faise máis grande. E a entidade franquista responde con provocación. O BNG pídelle ao Parlamento que a declaración da familia Franco como non grata en Sada se amplíe ao conxunto de Galicia O BNG presentou este luns unha declaración institucional e unha proposición non de lei na que pide aumentar esa declaración de non grata ao conxunto de Galicia e que se inclúa nela a Fundación, da que tamén pide a súa ilegalización. Reclámallo ao Parlamento e á Xunta, para que se posicionen no conflito de Meirás solicitando a súa "devolución" ao patrimonio público. O PSdeG, pola súa banda, asegura que valorará a proposta do Bloque cando estea por escrito, tendo sempre en conta a posición do seu partido en Sada, pero aclara que non se entende "cal é a posición do PP", que se abstivo na votación da corporación da localidade e que non semella disposto a ir máis aló das súas advertencias de vixilancia reclamacións de mesura á familia Franco. En Marea solicitará á Cámara o seu "total apoio" ás medidas aprobadas pola corporación de Sada En Marea, pola súa banda, pedirá no Parlamento o "total apoio da Cámara" ás iniciativas aprobadas o pasado sábado polo Concello de Sada, co que pretende que "se pronuncie sobre unha das maiores vergoñas do espolio franquista e de falta de respecto coa memoria das vítimas da ditadura". Nun novo comunicado, a Fundación Francisco Franco rebélase contra as peticións de ilegalización e as duras críticas insistindo en que "Franco non fusilou a ninguén nin ditou condena a morte ningunha" e advertindo que entre as súas funcións está a defensa das vítimas da Fronte Popular e a reclamación de que houbo "un xenocidio de católicos durante a guerra civil. A Fundación Franco responde ás peticións de ilegalización dicindo que "Franco non fusilou a ninguén" e que debe defender "as vítimas da Fronte Popular" A entidade chegou a comparar a Franco con Manuel Azaña e reiterou que as sentenzas de morte ditábaas "a Xustiza". Ademais, asegura que o ditador "ofreceu aos caídos da Fronte Popular a maior dignidade que estaba na súa man", a de "durmir o soño entero baixo a Cruz do Valle de los Caídos". A Fundación di manter unha "actitude de reconciliación e respecto" e que cumpre "unha función capital" ao "defender a media España vítima da Fronte Popular", o que non atribúe á "dereita covarde". Para esta institución fascista, aqueles que queren ilegalizala son "os mesmos que perseguen ou tiran pedras a un autobús". Así, di que defender a Fundación é "unha obriga cívica" para recoñecer "as vítimas causadas pola Fronte Popular". A Fundación Francisco Franco responde a todo un conxunto de iniciativas políticas e sociais contra a xestión que leva do Pazo de Meirás. No pleno deste pasado sábado en Sada, os votos a favor de Sadamaioría, BNG e PSdeG permitiron que o Concello expresase a "vontade corporativa contraria ao proceder da familia Franco" e "como expresión simbólica de rexeitamento" dese proceder optaron declarala "non grata" no municipio. O PP abstívose mentres que o Partido Demócrata Sada Popular, liderado polo ex-alcalde Ramón Rodríguez Ares que lucía no seu despacho unha foto do ditador, votou en contra. Ademais, nunhas declaracións en El Mundo, a filla do ditador, Carmen Franco, cre que coa declaración de persoas "non gratas" para a familia Franco "o que queren é facer dano". "Fixérono tamén con Rajoy, que foi declarado 'non grato' na súa propia vila, son así", asegura desde o propio Pazo de Meirás. Sadamaioría, BNG e PSdeG votaron a favor de declarar "non grata" a familia e pedir a devolución do Pazo, coa abstención do PP e o voto en contra de PDSP Ademais, nun pleno especial, emotivo e con caraveis vermellos repartidos entre os asistentes, o pleno cordou "rexeitar a xestión por parte da Fundación Francisco Franco do programa de visitas ao Pazo de Meirás" e apoiar a demanda do Concello de que sexa esta administración "quen as xestione", así como "condenar" as declaracións da entidade e do seu portavoz, que consideran "apoloxía do franquismo". Ao tempo, o Concello insta á "modificación da Lei de Fundacións con obxecto de impedir a legalidade de fundacións que fagan apoloxía do franquismo" e pide "realizar un estudo arredor do espolio e a apropiación do Pazo de Meirás por parte da familia Franco e sobre o proceso para posibilitar a súa devolución e incorporación ao patrimonio público". Ademais, o acordo plenario reclama " aprobación dunha Lei Galega da Memoria Histórica galega que "impida o enxalzamento dos protagonistas da represión e inclúa as correspondentes disposicións relativas ao inmoble e á sua posta en valor asociado á recuperación da memoria histórica". O municipio sadense pide tamén a ilegalización da Fundación Franco ou unha Lei Galega da Memoria Alén disto, e tal e como acordaran outros municipios, entidades civís, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) ou a Deputación da Coruña, acordouse constituír a Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás para o patrimonio público coa participación de institucións, asociacións, organizacións políticas, sociais, sindicais e fundacións co fin de "poñer fin á posesión da propiedade pola familia Franco e a súa incorporación ao patrimonio público" e de convidar o Goberno galego a que se una desde o inicio. No pleno, o portavoz do PP e ex-alcalde, Ernesto Anido, xustificou a abstención do seu grupo no feito de que, ao seu ver, existen outras prioridades maís aló da convocatoria extraordinaria en pleno agosto e advertiu que outros bens culturais como a Terraza non é igual de atendido. Outro ex-rexedor, Ramón Rodríguez Ares, asegurou que o Pazo de Meirás "nunca foi expropiado nin confiscado" e aludiu ao "importante gasto" que para o Concello suporía a xestión das visitas. Mentres, este mesmo luns, o PSdeG lembrou que foi a primeira formación en "solicitar" que se puidese visitar o inmoble e reiterou que o Pazo foi "usurpado" aos veciños polo ditador e os seus familiares. |
NOS_35273 | Detido en setembro de 2012, xa está de volta na súa comarca da Terra de Ordes. "Muitíssimas graças a tod@s, muitíssimas graças por tudo", escribiu nas redes sociais. | "A liberdade, afinal, era que cheirava a erva recém segada em Loureda. Sinto-me abrumado e cheio de agradecimento a tanta gente que durante tanto tempo me deu tanto amor. Muitíssimas graças a tod@s, muitíssimas graças por tudo; vós sodes independência e socialismo. Também, a lembrança constante nos que continuam dentro (Raul, Teto, Hadriám e todos os demais) e que temos que libertar. Abaixo os muros das prisons!". Con este breve texto en FB, o xa ex-preso independentista Carlos Calvo Varela (Loureda-Ordes, 1988) daba a coñecer a súa posta en liberdade. Pasou sete anos en diversas prisións españolas e da Galiza após ser detido o 15 de setembro de 2012 en Vigo e acusado, entre outras, de pertenza a banda armada. En febrero de 2015 a Sala do Penal do Tribunal Supremo rebaixaba de 12 a 7 anos de prisión a condena a Carlos Calvo. O Alto Tribunal estimaba parcialmente o recurso presentado e consideraba que non había probas de abondo para condenalo polos delitos de integración en banda terrorista , como si fixera a Audiencia Nacional. Ao longo destes anos diferentes iniciativas populares mostraron o seu apoio e solidariedade para con este xornalista e historiador que, embora estar preso, nunca cesou na súa actividade cultural e artística. Así, publicou artigos en diferentes medios (entre eles, Sermos Galiza), os seus debuxos saltaron reixas para chegar a exposicións que percorreron diferentes vilas e cidades do país e mesmo un blog, 'Aldeias de Ordes, ' recollía as súas achegas sobre toponimia e que derivaban en achegas de cultura, xeografía ou historia. Mesmo, estando preso, a editorial Através publica 'Diários', obra con textos e debuxos seus. Nestas horas non foron poucas as mostras nas redes sociais de alegría pola recuperación da liberdade por parte de Carlos, que no seu post en FB non esqueceu os independentistas galegos que aínda continúan en prisión. |
NOS_43837 | Novo revés para a Fiscalía da Audiencia Nacional. A xuíz Carmen Lamela desatendeu a súa petición e resolveu deixar en liberdade Josep Lluís Trapero, investigado por un pretenso delito de sedición. O que se lle imputa é non ter impedido o referendo de 1-O. | A xuíz tamén desatendera as peticións da Fiscalía sobre a número dous dos Mossos, Teresa Laplana, para quen o Ministerio Público pedía prisión eludíbel cunha fianza de 40 mil euros. No caso de Trapero, a petición do fiscal era máis dura: prisión incondicional para quen o Ministerio Público considera unha peza chave na realización do referendo de 1-O. O chefe dos Mossos argumenta que en nengún caso conculcou a lei e que cumpriu o mandato da xuíz do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya, que o instaba a impedir o desenvolvimento da consulta con uso proporcionado da forza e sen producir alteracións graves da orde pública. Aliás, a xuíza si toma medidas cautelares: deixa Trapero en liberdade, mais sen pasaporte, para impedir unha eventual fuga que ten poucos visos de se vir a producir. Lamela desoe as peticións do fiscal porque non acha relación entre Trapero e os protestos que o día 20 de setembro obstaculizaron a saída á rúa dos gardas civís que durante horas rexistaron a sede da Consellaría de Economía, no centro de Barcelona, na procura de material relacionado co referendo. |
NOS_20356 | A Asemblea Nacional francesa vota hoxe a 'Proposición de lei relativa á protección do patrimonio das linguas rexionais e a súa promoción', despois de ser aprobada polo Senado en decembro pasado. O financiamento económico e a inmersión lingüística na educación son os temas máis controvertidos –e esenciais– da norma. | A xacobina Francia podería contar cunha norma de protección e fomento das linguas minorizadas. Farao se hoxe a Asemblea Nacional ─a Cámara baixa─ ratifica o proxecto de lei que recibiu o visto bo do Senado ─a Cámara alta─ en decembro. O relator da "Proposición de lei relativa á protección do patrimonio das linguas rexionais e a súa promoción" é o deputado bretón do grupo Libertés et territoires (LT) Paul Molac. Mais detrás están todos os colectivos a prol do bretón, do galó, do vasco, do alsaciano, do occitano ou do corso, agrupados baixo o paraugas de Pour que Vivent Nos Langues ("Para que vivan as nosas linguas"). Ninguén dubida que sairá adiante. O caso é como. A lei recollerá aspectos tan básicos como a legalización dos signos diacríticos dos idiomas diferentes ao francés. O 12 de maio de 2017 nacía na cidade bretoa de Kemper Fañch Bernard. Fañch ─con 'ñ' ou til diacrítico sobre o 'n'─ e o hipocorístico de Francisco en bretón. É dicir, o Paco ou Fuco galegos. O rexistro civil negouse a inscribilo con ese nome, alegando que ese símbolo non figura no francés. Meses despois, porén, a xustiza deu a razón aos proxenitores. Mais esa fatigosa pelexa xudicial, que podería disuadir as familias de elixir determinados nomes, non será necesaria se os membros da Asemblea votan a favor da norma presentada inicialmente o 30 de decembro de 2019 por Molac. A Cámara baixa, antes de pasar ao Senado, xa a adoptou en primeira lectura o 13 de febreiro de 2020. E agora regresa para certificar o 'Si' definitivo. O portal de información do Goberno francés sobre os proxectos de lei, Vie Publique, explica paso por paso o proceso seguido até hoxe. "Tesouro nacional" "Na actualidade hai unha vintena de idiomas rexionais na Francia continental e máis de 50 no estranxeiro. Porén, a súa práctica está diminuíndo", sinala a proposición de lei, que involucra as administracións estatal e locais a protexelas a través do seu "ensino, difusión e promoción". Este "patrimonio lingüístico" pasaría a ter consideración de "tesouro nacional", que implica un réxime de protección especial para, por exemplo, gravacións ou manuscritos antigos. Tamén autoriza a que sexan usadas na comunicación institucional ou en sinais de tráfico. Mais os aspectos máis controvertidos son aqueles con maior calado, percorrido e afectación: a súa introdución na educación formal e o diñeiro para custeala. Tres puntos referentes a estas dúas cuestións foron reintroducidos durante a súa tramitación no Senado logo de seren eliminados pola Asemblea na primeira lectura (o terceiro foi de novo retirado a semana pasada nunha comisión parlamentaria). "Inconstitucional" No aspecto educativo, a cuestión máis polémica é a posibilidade de introducir un modelo de inmersión na educación, é dicir, que a lingua a protexer e promover sexa usada para materias como as Matemáticas ou a Educación Física. Na actualidade, isto non é posíbel no ensino público. O Goberno galo introduciu unha emenda argumentando que é "inconstitucional". E tamén houbo oposición desde a esquerda estatal, con outra proposta de supresión deste punto por parte do grupo La France insoumise (LFI). O Senado tamén recuperou o punto que xeneraliza o ensino de linguas minorizadas como materia optativa dentro do horario lectivo, desde Infantil até a Secundaria. Un modelo que leva décadas funcionando en Córsega. E o terceiro punto é o que obriga os municipios que non contan con escolas bilingües a contribuíren ás taxas de matrícula das escolas concertadas que si a ofrecen (como as escolas Diwan na Bretaña). A lei actual, de 2019, fala de "contribución voluntaria", o que "foi utilizado a miúdo polos municipios para non pagar nada", segundo explicaron representantes da comunidade educativa ao xornal bretón Ouest-France. Emendas Esta última cuestión, unha das principais demandas da asociación Pour que Vivent Nos Langues, foi reintroducida no Senado e anulada o 31 de marzo pola Comisión parlamentaria de Educación a petición da deputada Géraldine Bannier, do Mouvement Démocrate (MoDem, liberal). Nas súa emenda argumentou que podería "desestabilizar os municipios que só teñen unha escola pública ou privada, con pouco persoal, cando unha escola privada nunha cidade veciña con máis persoal podería ofrecer o ensino de idiomas rexionais", segundo recolle a Asemblea Nacional na súa web. Outra emenda conxunta presentada por Benoit Potterie e Christophe Euzet (da República en Marcha, centro-liberal, partido de Goberno) e Pierre-Yves Bournazel (UDI e independentes, democristián), discorda co modelo de inmersión lingüística para o ensino das linguas minorizadas. Estes tres deputados sosteñen, citando o artigo 2 da Constitución, que "o francés é o idioma da República", polo que consideran que "non se pode impor aos alumnos o uso dun idioma distinto do francés". Ademais, sinalan que "o dominio do francés é un requisito esencial para o éxito de todos e para a plena realización do proxecto republicano de emancipación e igualdade de oportunidades que persegue a educación nacional". O debate dará comezo ás 9 horas e a votación de todo o texto está prevista para as 13 horas. |
PRAZA_6576 | Os economistas Manuel Lago e Albino Prada presentaron o informe Desequilibrio exterior, modelo competitivo e recuperación económica no que avogan por incrementar os salarios para favorecer a recuperación da demanda interna e sentar as bases dun "modelo equilibrado" de crecemento | Os economistas Manuel Lago e Albino Prada presentaron este luns en Compostela un novo informe do Foro Económico de Galicia, titulado Desequilibrio exterior, modelo competitivo e recuperación económica, no que actualizan a actual situación de varios compoñentes da economía española, dende o sector exterior até a demanda interna. No informe avogan por diversificación e a innovación para os sectores produtivos, incrementando a súa internacionalización, e tamén por un crecemento salarial por riba do IPC, entre o 1% e o 1,5%, que favoreza a recuperación da demanda interna e sente as bases dun "modelo equilibrado" de crecemento. A análise é semellante á realizada este mesmo luns por un informe da Organización Internacional do Traballo (OIT), que despois de destacar que "os salarios non foron os causantes da fenda da competitividade en España durante o periodo previo á crise" sinala que é chegado o momento de aumentar os soldos "ao mesmo ritmo que a produtividade para fomentar a demanda mentres a recuperación cobra forza". "É necesario cambiar a orientación da variación dos salarios cun principio xeral: a ganancia de poder adquisitivo dos asalariados" No seu texto, Albino Prada e Manuel Lago destacan que "a desvalorización salarial mellorou as marxes das empresas pero, ao mesmo tempo, causou unha enorme caída da demanda interna e, en consecuencia, da cifra de negocio das empresas, sobre todo da gran maioría das pequenas e medianas que teñen como único destino o mercado interior. O que gañaron coa desvalorización salarial dos seus empregados perdérono con menores vendas debido á xeral perda de poder adquisitivo dos fogares". Os dous economistas explican que "recuperar unha demanda interna afundida nos últimos anos depende de que se recupere o consumo privado, o gasto dos fogares e o investimento produtivo". "E para conseguilo -explican- "é necesario cambiar a orientación da variación dos salarios cun principio xeral: a ganancia de poder adquisitivo dos asalariados, isto é, incrementos salariais por encima da inflación". Prada e Lago tamén inciden na necesidade de incrementar a capacidade de competir das empresas galegas e españolas, pois "máis aló da competitividade de prezos, na que España ten aínda unha vantaxe comparada, o desafío para os próximos anos é mellorar a capacidade para competir en calidade, diferenciación, imaxe e deseño, e a integración nas cadeas internacionais de produción". Sinalan que un dos conceptos clave é a "diversificación": necesítanse máis empresas que exporten máis produtos a máis países. Piden "unha estratexia de diversificación produtiva", baseada "en actividades intensivas en coñecemento ou na estandarización e non na prolongación de xornadas ou redución de salarios" Piden, neste senso, "unha estratexia de diversificación produtiva", baseada "en actividades intensivas en coñecemento ou na estandarización e non na prolongación de xornadas ou redución de salarios". Unha estratexia, engaden, "que debe ser beneficiada fiscalmente". Entre outros sectores propoñen especializarse en actividades como electrónica, mecánica avanzada, pezas e compoñentes para o sector aeronáutico, mobilidade eléctrica, automatización industrial, enerxía, aplicación de TIC a medicamento. E facelo tamén en actividades con fortalezas previas, coma os desenvolvementos marítimo-portuarios vinculados ao procesamento de peixe, enerxía eólica, turismo, enerxía maremotriz ou loxística ferro-portuaria. Propoñen tamén "estimular a transferencia entre a I+D pública e a industria" ou "condicionar as licitacións públicas a cláusulas ligadas á innovación local, ao emprego de capital humano altamente cualificado e ao cambio de modelo enerxético como vectores da responsabilidade social das empresas". Consulta aquí o documento completo (.pdf) |
NOS_20783 | Baxi Ferrol podería descender se non gaña | O reloxo de area da tempada baloncestística vai deixando caer os seus últimos grans, o que significa que o tempo se esgota para que ambos os representantes da Galiza na Liga ACB, Leite Río Breogán e Monbus Obradoiro, consigan cadanseus obxectivos. No caso dos lucenses non é outro que meterse entre os oito primeiros para ter dereito a competir no play-off polo título ligueiro. Décimo clasificado con 13 triunfos, mañá, a partir das 20.45 horas, podería dar un paso de xigante no caso de ser quen de superar na súa pista Lenovo Tenerife, sexto con 16. O técnico celeste, o recentemente renovado Veljko Mršić, considera que o conxunto insular é "moi bo", entre outros factores "porque ten un cadro de xogadores moi amplo e non depende dun só home", o que non significa que non sexa "optimista" en que o Breogán poida ser quen de "dar a sorpresa". Ben diferente é a meta final nesta campaña 2021/22 do Monbus Obradoiro. Os da capital son quintos pola cola cun mínimo colchón dunha vitoria sobre os postos de descenso, o que sobredimensiona o xa transcendente choque ante Urbas Fuenlabrada (hoxe, 18 horas), con quen está empatado na clasifiación. Moncho Fernández, adestrador do Obra, explicou na rolda de prensa previa ao encontro que a escuadra madrileña é unha especialista "contraatacando", polo que fixo un chamamento a "ter moito coidado" nese eido. A maiores, expresou o seu desexo de que os seus fosen capaces "de manter as porcentaxes de tiro" que tiveron no último encontro, no que gañaron un equipo da zona nobre como Manresa. Todo ou nada para o Baxi Na competición análoga á ACB na modalidade feminina, a Liga Endesa, a de hoxe será a antepenúltima xornada ligueira, o que para o Baxi Ferrol significa todo ou nada: de non gañar Kutxabank Araski ás 20.15 horas no Pavillón da Malata dirá adeus con práctica seguridade á máxima categoría. Pola súa parte, Durán Maquinaria Ensino tamén ten presión sobre os seus ombreiros de cara ao choque de hoxe ás 19.15 horas contra Valencia Basquet (Pazo dos Deportes de Lugo), pois, como o Leite Río Breogán, aínda conta con opcións de meterse no play-off polo título ligueiro. |
PRAZA_7774 | A crise detén o abandono do rural, que agroma como unha oportunidade laboral para o país. A falta de estratexia desde os poderes públicos impide a consolidación dun sector agrario que aspira a ser clave no desenvolvemento económico futuro, pero que precisa axuda e valentía política. "Temos un enorme potencial e hai condicións para darlle a volta", di Edelmiro López. | O agro busca o seu futuro. O enorme potencial do rural en Galicia sitúao na actual crise económica ante unha oportunidade única para revalorizarse como opción laboral e, sobre todo, para se converter nun dos alicerces do desenvolvemento económico do país nos vindeiros anos. Con enormes eivas e problemas, o sector agrario atópase nunha encrucillada que debe ser resolta desde as administracións públicas. A falta de plans e estratexia impiden polo momento asentalo como unha alternativa de futuro que, no entanto, si se está a considerar xa entre xente moza que ve no campo a opción de traballo que antes fuxía cara a outros sectores e lugares. Pero hai moito que facer. "Con medidas axeitadas, e nun período de dez ou quince anos, Galicia ten un enorme potencial no agro" "Hai datos obxectivos que me fan ser optimistas, aínda que falte moito. Con medidas adecuadas, e nun período de dez ou quince anos, Galicia ten un enorme potencial para se converter nunha área produtora de alimentos de calidade e con moi boa saída ao mercado no conxunto de Europa, pero para confirmalo hai que ter unha estratexia desde os poderes públicos e valentía á hora de aplicar as medidas", di Edelmiro López, profesor titular do Departamento de Economía Aplicada da USC e ex director xeral de Desenvolvemento Rural na Xunta, que lembra que o abandono do campo estase a frear desde a chegada da crise. O número de persoas que traballan no agro segue a diminuír, pero pola xubilacións e non polo abandono dos máis novos "Non é que o rural estea mellor, senón que as oportunidades de traballo noutras actividades se reducen", explica. O feito é que o número de persoas que traballan no sector agrogandeiro segue diminuíndo, pero pola xubilación dos máis vellos e non polo abandono dos novos. Nos últimos anos, o número de persoas de menos 40 anos traballando en explotacións non baixa. "Cando a xente podía gañar 3.000 euros na construción nas Canarias, era difícil convencelos para que quedasen, pero nesta situación son moitos os que aguantan e incluso hai casos puntuais de xente nova que o intenta de cero", engade López, que cre que aproveitar esta mala etapa para reactivar o rural dependerá agora "de que se apliquen políticas públicas axeitadas para mellorar as condicións do traballo no agro". En 1950, o 70% da poboación activa galega traballaba no agro; hoxe supón o 5,5% O traballo é duro e os atrancos moitos nun país que pasou de ser eminentemente rural a situarse na media da UE en canto á actividade agrícola. Pero hai moita leira por sachar. En 1950, o 80% dos galegos vivían no medio rural e o 70% da poboación ocupada traballaba no sector agrario (case 830.000 persoas). Máis de 60 anos despois, a xente ocupada no agro reduciuse en máis dun 90% ata pasar ás 65.000 da actualidade, arredor do 5,5% do emprego total, cunha media semellante á da UE. Os problemas, xa que logo, son claros. Edelmiro López resúmeos en varios puntos: o demográfico, cunha falta evidente de relevo xeracional e unha poboación envellecida; a baixa produtividade das explotacións e a volatilidade dos prezos; a falta de desenvolvemento dunha industria agroalimentaria forte; a continuidade dun balance agroalimentario deficitario; e, por riba se cadra de todos, o problema da terra. Ese é o problema estrutural básico do sector agrario galego, tanto no que se refire ás deficiencias na base territorial das explotacións, cunha reducida superfice e unha enorme fragmentación parcelaria; como en canto aos enormes desaxustes ou deficiencias nos usos do solo. Un só dato: a superficie agraria utilizada (SAU) por explotación en Galicia sitúase nas 8,5 hectáreas, pouco máis dun terzo da media estatal (24,2 ha) ou da da UE dos 15 (22 ha). "O reto urxente é arranxar o problema que supón que a terra estea dividida entre máis dun millón e medio de propietarios cando hai menos de 50.000 explotacións" Así, o reto urxente para o agro galego, tal e como aclara Edelmiro López, é lograr arranxar o problema que supón "que a terra estea dividida entre máis dun millón e medio de propietarios cando hai menos de 50.000 explotacións agrícolas profesionais". Se hai que resumir as propostas urxentes para o sector, este experto teno claro. "Hai que facilitar o acceso aos factores de produción para poder montar unha explotación; no caso galego, esta cuestión fundamental ten que ver coa terra", asegura. "Isto só pode funcionar se establecemos mecanismos a través dos cales aquelas terras que non se traballan, e sen tocarlle á propiedade, poidan ser postas a disposición mediante o arrendamento daqueles que si as queren traballar", engade, tras aclarar que esta actuación debería ir moi ligada tamén "á cuestión dos usos da terrra e a conseguir unha ordenación axeitada que non permita o abandono ou a plantación masiva de terras con piñeiros e eucaliptos". Pero tamén se precisa que aqueles que queiran quedar no agro "teñan unha retribución digna polo seu traballo". "Isto lévanos ás políticas agrarias e ás políticas agrarias que contribúan a estabilizar os prezos, cortar a especulación e recuperar certa regulación pública", indica López, que aclara que para obter prezos dignos non só se precisa esa mínima regulación pública dos mercados agrarios, senón tamén "un cambio de chip" tanto nas administracións como na sociedade galega. "Debemos centrarnos en producións especializadas e con valor engadido e menos nas producións estandarizadas" "Debemos centrarnos en producións especializadas e con valor engadido e menos nas producións estandarizadas", asegura, apostando polo apoio ás denominacións de orixe ou ás marcas galegas recoñecidas e de calidade. "Por poñer un exemplo, non é o mesmo producir leite indeferenciado, co que só podemos competir vía custos cunha marxe moi baixa para o produtor, que adiantarse e apostar por queixos diferenciados, leite de calidade, iogures ou batidos", insiste. "O rural precisa oportunidades laborais, pero tamén acceso aos servizos e á calidade de vida doutras zonas" Con estas medidas urxentes, pero tamén con outras moitas complementarias, poderíase comezar a deter tamén a sangría demográfica que afecta ao rural e que non é maís "que unha consecuencia dos problemas socioeconómicos". "E isto non se soluciona con que nazan máis nenos, porque se eses rapaces acaban por non ter oportunidades de emprego no agro, tamén acabarán marchando. Precísase traballo pero tamén, e quizais con máis urxencia, acceso aos servizos e á calidade de vida que atopan noutras zonas", recomenda. A pelota está no tellado das administracións e a Xunta, coas súas competencias exclusivas, tamén ten moito que dicir. "Hai condicións para darlle a volta a todos estes problemas, pero as solucións non caen do ceo, senón que hai que buscalas e construílas", di Edelmiro López, que cre que o primeiro paso debe vir tamén da sociedade e de "deixar de asociar o rural ao atraso e a pobreza para velo como un medio e un piar clave do desenvolvemento económico do país". "Primeiro hai que crelo e logo adoptar as medidas axeitadas para logralo", di. "O problema principal é que non hai política nin estratexia para o agro desde a Xunta de Galicia" O que dúbida é que o crean desde os poderes públicos. "O problema principal é que non hai política nin estratexia para o agro", continúa Edelmiro, que vería "totalmente lexítimo" que o PP eliminase as políticas activas que aplicaron outros gobernos ou iniciativas como o Banco de Terras "se houbese alternativa". "Non hai un horizonte marcado nin unha dirección que tomar; as políticas que se aplican son pouco axeitadas, pero por desidia e non por intentar algo diferente", engade. Aínda así, Edelmiro López reclama tamén "unha presión social" suficiente que aínda non existe e que leve a Xunta a cambiar o paso. "A sociedade galega debe ser consciente de que o rural non é un problema, senón unha grande oportunidade de futuro; debemos crer no seu potencial e ser exixentes cos que nos gobernan, sexan quen sexan", di. Pero non o hai. "O Exectuvio non ten proxecto e o que busca é maximizar os votos e manterse no poder; no tema da terra, por exemplo, habería que ser valentes e tomar medidas aínda que teñan custo elecdtoral; se non é así, acabaremos cunha terra xestionada por funcionarios ou ardendo cando lle toque", remata. |
PRAZA_9216 | Coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao, celébrase en Galicia o Día da Ilustración, dedicado este ano ao vigués Federico Ribas, un dos máis importantes debuxantes para o sector publicitario nos anos 20 e 30. | Este mércores 30 de xaneiro celébrase en Galicia, como todos os anos, o Día da Ilustración, coincidindo co coincidindo co aniversario do nacemento de Castelao e organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Nesta ocasión está dedicado ao vigués Federico Ribas, innovador da publicidade, moi célebre no seu momento coas súas ilustracións para a empresa perfumeira Gal e para a conserveira Massó. En anos anteriores Álvaro Cebreiro ou Camilo Díaz Baliño foron os homenaxeados.Nos anos 20 era "o ilustrador máis cotizado de Madrid"Nacido en Vigo en 1890, aos 18 anos marchou a Bos Aires e despois a París para desenvolver a súa vocación artística. En 1914 instálase en Madrid, onde o seu estilo galante causa sensación. Contrátao como director artístico a perfumaría Gal (Heno de Pravia), e dirixe tamén a axencia Veritas, fundada pola empresa. Segundo Luís Seoane, nos anos vinte era "o ilustrador máis cotizado de Madrid". Preside ademais a Unión de Dibujantes Españoles, precedente do asociacionismo profesional.Foi un publicista prolífico e brillante e modernizou a imaxe do sector conserveiro galegoEn Galicia tivo unha casa en Beluso (Bueu), pola que pasaron persoeiros como Maruja Mallo, Ksado ou Gaspar Massó, para cuxa conserveira tamén fai multitude de traballos publicitarios, elevando o cartel á categoría de arte. Publica ademais nos xornais Faro de Vigo e El Pueblo Gallego e na revista Vida Gallega. Segundo destaca AGPI, Ribas "tiña un talento especial para debuxar as mulleres e popularizou o modelo de muller moderna independente, vital e sempre divina. Foi un publicista prolífico e brillante e modernizou a imaxe do sector conserveiro galego".O Golpe de Estado de xullo de 1936 sorpréndeo en Bueu. De ideoloxía republicana, marcha primeiro a Vigo cando ve que algúns amigos seus comezan a ser asasinados na vila e finalmente exíliase en Bos Aires, onde coincide con Castelao e Seoane, colaborando con este na denuncia grafica do terror franquista. Regresa a España en 1949 para morrer tres anos despois.En 1936 exíliase en Bos Aires, colaborando con Seoane na denuncia grafica do terror franquistaA Biblioteca e Arquivo de Galicia inaugura este mércores a mostra Federico Ribas: As liñas da beleza, con obras, publicacións e outros documentos do ilustrador. A exposición poderá visitarse ata o 7 de marzo na sala de exposicións da biblioteca, no complexo do monte Gaiás. Ademais, a sede de Afundación en Compostela e a Biblioteca Municipal de Ferrol acollen hoxe charlas, mostras e proxeccións co gallo da conmemoración. O cartel anunciador deste ano correu a cargo do ilustrador Santy Gutiérrez. |
NOS_13611 | O presentador do festival a canda Alaska e Inés Hernand recoñeceu que tanto Felix Bergsson como Marvin Dietmann estaban entusiasmados coas propostas da galega e da catalá. | A final do Benidorm Fest, da que saíu vencedora Chanel con SloMo, continúa a ser asunto de análise e debate. A polémica non cesa e o intercambio de impresións tampouco. Un dos últimos en responder ás críticas da audiencia tras se resolver o certame que deu a coñecer o nome da artista que representará a España en Eurovisión foi o condutor da cerimonia, Màxim Huerta.Segundo recoñeceu en Socialité, o feito de que Tanxugueiras, as máis votadas polo público, obtivesen unha puntuación baixa por parte do xurado especializado responde a unha acollida dispar de Terra por parte das cinco persoas expertas. O xurado internacional, coas galegas "Direiche que tanto Felix Bergsson como Marvin Dietmann -ambos os dous parte do xurado internacional- estaban emocionados con Tanxugueiras, pero o voto é individual", e se as representantes do xurado estatal -Natalia Calderón, Miryam Benedited e Estefanía García- votaron á baixa a canción galega dándolle máis puntos a outras opcións, "isto desmóntase", concluíu. "Eles estaban con Tanxugueiras e Rigoberta", mais os seus puntos non foron suficientes, tampouco cos votos do público."Eu tiven a sensación, desde o principio, de que ía haber sorpresa final", aseverou Màxim Huerta. "Chanel estaba entre as favoritas, pero claro, con esas dúas potentes actuacións todo o mundo flipou moito. Lembra a Chipre, Grecia, a grandes divas como Jennifer López", xustificou a posta en escena vencedora. Dixo, ademais, que "en caso de empate, tería pesado máis o público. Pero España non son só as redes", engadiu antes de afirmar que darlle todo o poder ao público pode ser contraproducente polo que defendeu a presenza dun xurado de expertos. Sobre a canción gañadora e a presenza de Chanel en Eurovisión no mes de maio, en Turín, sentenciou: "Enviar a Chanel non é enviar máis do mesmo". |
NOS_33758 | A sustancia parece ser con toda probabilidade graxa lubricante da utilizada nos rodamentos e maquinaria dos barcos para evitar a corrosión que chega solidificada, normalmente en pequenas pezas, segundo alertou o BNG. | Desde a segunda feira día 13, a praia de Arou no concello de Camariñas, areal con Bandeira Azul, encheuse de bólas de lubricante industrial de cor amarela que empezaron a chegar a distintos puntos da costa desde a sexta feira pola tarde. Debe destacarse a localización, no Caramuxeiro, unha zona de pedras, dunha bóla que pesará por volta duns seis quilos. Varias organizacións ecoloxistas denuncian os perigos de ter restos acumulados nestas zonas durante tempos en que as temperaturas sexan elevadas, pois iso podería ter un efecto moi prexudicial ao derreterse e afectar especies mariñas. A substancia A sustancia parece ser con toda probabilidade graxa lubricante da utilizada nos rodamentos e maquinaria dos barcos para evitar a corrosión que chega solidificada normalmente en pequenas pezas. Un de cada catro peixes de fondura ten restos de plástico Para alén diso, tamén se puideron observar aves mariñas coa plumaxe impregnada dunha substancia amarela, polo que pode haber zonas ou balsas en estado líquido o que poría en grave risco especies como os chorlitos grises que habitan zonas areosas. Tamén é salientábel lembrar que a principios de 2020 a Costa da Morte viuse afectada por outra vertedura semellante a esta que provocou a morte de máis de 300 aves mariñas. Naquela altura describíanse os restos como unha sustancia aceitosa, pegañenta, de cor alaranxada, cun cheiro desagradábel, que impregnou case por completo os corpos de centos de aves. A neve recén caída na Antartida rexistra por primeira vez a presenza de microplásticos Témese que aínda poida haber unha balsa ou gran mancha de lubricante en alta mar e que os restos chegados á costa por mor vento do norte sexan unha pequena parte, por iso, din os ecoloxistas, sería necesario inspeccionar a costa e a superficie marítima próxima para poder realizar labores de limpeza antes de que esta vertedura chegue aos areais ou zonas de pedras, onde poría en serio risco múltiples distintas especies. Petición do BNG En vista do acontecido, o BNG preguntou no Congreso se o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico ten coñecemento do feito e se vai tomar medidas para evitar os danos así como analizar a orixe da vertedura e actuar contra os responsábeis por este episodio de contaminación. |
NOS_25307 | Através dunha carta o Integrupo Paz e Liberdade para o pobo saharauí tamén se dirixirá ao Consello de Seguridade da ONU e ao Parlamento europeo. | Após a súa expulsión do aeroporto do Aiún e de non lles ser permitido o acceso aos territorios ocupados do Sáhara Occidental como prevían, representantes do Integrupo parlamentar Paz e Liberdade para o pobo saharauí anunciaron en comparecencia de imprensa que enviarán unha carta ao goberno español, a Secretaría Xeral das Nacións Unidas e o Parlamento europeo para instar estas institucións a exixir explicacións ao goberno de Marrocos "pola sistemática vulneración do dereito internacional ao impedir a presenza de observadores/as internacionais que verifiquen a protección dos dereitos humanos no Sáhara Occidental". No que vai de ano foron expulsas 120 persoas entre xuristas, integrantes de ONGs e delegacións parlamentares Así, deron conta de que no que vai de 2016 "120 persoas integrantes de delegacións parlamentares, xuristas, ONGs e xornalistas de diferentes países" foron expulsas dos territorios ocupados. "Marrocos teme algo, non quere testemuños", asegurou o delegado do Frente Polisario na Galiza, Habibullah Mohamed Kuri. Dereitos humanos "Lamentamos a decisión do goberno [marroquí] de vetar a delegación", dixo Gonzalo Trenor do Partido Popular, quen subliñou o feito de que "o único obxectivo" da viaxe "era observar in situ a situación do pobo saharauí" en materia de dereitos humanos e tamén visitar a familiares das persoas presas e desaparecidas. Neste senso, sinalaron que a "excusa" empregada polas autoridades marroquís foi "a de non ser neutrais". Así as cousas, denunciaron a "agresividade verbal" empregada durante a súa expulsión, dixo a parlamentar do PSdeG-PSOE, Noela Blanco, e as novas difundidas pola imprensa "oficialista" marroquí nas que se acusou a delegación de procurar "amotinar separatistas", acrecentou Xabier Ron, de AGE. Queremos que o do Sáhara non sexa un conflito esquecido "Queremos que o do Sáhara non sexa un conflito esquecido" porque o seu "sufrimento ten nomes e apelidos" como o dos presos políticos e o dos refuxiados, sinalou Montse Prado (BNG) en referencia a Hassanna Aalia, solicitante de asilo político no Estado español, presente tamén na comparecencia xunto con Maite Isla e Xosé Henrique Porto de Sogaps. Isla, amosou o agradecemento da ONG galega ao Integrupo Paz e Liberdade para o pobo saharaui e tamén para os medios de comunicación galegos por teren recollido a expulsión da delegación. "Exiximos ao goberno español que actúe como potencia administradora", dixo Chelo Martínez do Grupo Mixto ao tempo que denunciou a reacción do executivo español que "non fixo nada para impedir nen denunciar" a expulsión da delegación. Muro mediático Desde o Intergrupo amosan a súa "preocupación" pola situación que atinxe o pobo saharauí nos territorios ocupados no marco dun incremento da tensión --tamén militar-- na zona e "a blindaxe" á que "Marrocos ten sometido o territorio do Sáhara Occidental", indican na misiva. Este "illamento", din, "lévanos a temer pola posíbel multiplicación da violencia contra o pobo saharauí nun espazo hermético onde os dereitos humanos cada vez son negados con maior crueldade e son violados a diario", acrecentan. O pobo saharauí leva máis de 40 anos agardando estoicamente unha solución "O pobo saharauí leva máis de 40 anos agardando estoicamente unha solución polo que é precisa toda a presión para pór fin ao conflito dun territorio que non foi descolonizado senón ocupado", apuntan. Neste senso, desde o Frente Polisario, Sogaps e o propio Intergrupo subliñan a importancia de rachar ese outro muro" desta volta "mediático" que atinxe o pobo saharauí baixo unha "ocupación ilegal e ilexítima", salientou Habibullah Mohamed Kuri. "O Sáhara non pode agardar máis tempo", concluíu Montse Prado. Así mesmo, na misiva instan as institucións internacionais a actuar exixindo que se dea cumprimento ao "mandato estabelecido polo Consello de Seguridade na resolución 6/90 de 1991" e se faga efectiva a convocatoria do referendo de autodeterminación acordado "entre as partes" [Frente Polisario e Marrocos] "hai 25 anos". |
NOS_29032 | El Jueves recolle a información publicada por Sermos Galiza no seu semanario número 32 | O desembolso de 800 mil euros anuais que a consellaría de Sanidade fai para pagar as nóminas dos 53 capeláns que prestan asistencia relixiosa nos hospitais públicos e concertados do País chegou ás páxinas de El Jueves. A información publicada no número 32 do semanario Sermos Galiza é unha das catro que compoñen a sección 'El rincón del despilfarro', que a revista satírica dedica cada semana a destacar os investimentos de diñeiro máis rechamantes de que se ten noticia por parte das distintas administracións públicas. Así, o gasto do Sergas en relixiosos, acompañado dun cuadriño en que o cura receita @ paciente unha bóla de rosario cada sete horas, aparece recollido canda a creación dun consello asesor por parte do Goberno español para decidir cantos consellos elimina; o gasto de tres millóns de euros por parte do Ministerio de defensa para dispor de seguridade privada nos hospitais militares; e o empréstito que o Executivo de Aznar fixera á empresa arxentina de Bárcenas, por valor de 18 millóns de dólares. |
NOS_30775 | Continúa activo o lume rexistrado na tarde da sexta feira en Toén, que xa afecta a 200 hectáreas. | Tres novos incendios foron rexistrados nas últimas horas nos municipios de Lobios, Navia de Suarna e Lousame, uns lumes que se suman aos que xa afectan a distintas localidades de Ourense, como o de Toén, cuxa superficie afectada supera xa as 200 hectéreas. Segundo os últimos datos da Consellaría de Medio Rural, o de Lousame -parroquia de Tállara- foi rexistrado ás 5.07 horas da madrugada con dous focos, o que, segundo fontes do departamento autonómico, apunta a "intencionalidade". A superficie afectada por este incendio xa supera as 20 hectáreas e, na súa extinción, participa un hidroavión, un helicóptero, cinco axentes, 11 brigadas, nove motobombas e dúas pas. Así mesmo, ás 8 horas da mañá deste sábado foi detectado outro lume no municipio de Lobios, parroquia de Manín, que afecta a zonas de Galiza e de Portugal. Neste caso a Consellaría de Medio Rural aínda non ten estimación da área queimada, que atinxe o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, e xa mobilizou os medios para que se despracen ao momento. Pola súa banda, desde as 22.07 horas da sexta feira permanece activo outro incendio forestal no municipio de Navia de Suarna, parroquia de Son que, segundo as últimas estimacións elévase a unhas 70 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse un técnico, catro axentes, 16 brigadas, 10 motobombas e unha pa. Segue activo o de Toén, que afecta xa a 200 ha A Consellaría do Medio Rural informou tamén de que continúa activo o incendio rexistrado ás 17.40 horas da sexta feira en Toén, na comarca de Ourense, parroquia de Moreiras. As últimas medicións cifran a superficie afectada por este lume ascende xa ás 200 hectáreas. Na súa extinción mobilizouse un técnico, sete axentes, 20 brigadas, 14 motobombas, dúas pas, 10 avións e nove helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Estabilizado o de Muíños Tamén permanece estabilizado o rexistrado ás 00.43 horas no municipio ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que se produciu no mesmo lugar onde foron extinguidos outros dous incendios na madrugada anterior. Afecta a unhas 50 hectáreas provisionais do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés. Para a súa extinción mobilizáronse dous axentes, 11 brigadas, sete motobombas, unha pa, nove avións e sete helicópteros. Lobeira Ademais, está controlado desde as 23.14 horas da pasada noite o incendio do concello de Lobeira, parroquia de Fraga, que tamén afecta o Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés. A superficie afectada rolda as 30 hectáreas. Por último, continúa controlado desde as 19.27 horas da sexta feira o declarado na parroquia de Pradorramisquedo, en Viana do Bolo. Este lume empezou a pasada segunda feira e, segundo as últimas estimacións, afecta a unhas 200 hectáreas. |
PRAZA_17762 | Tanto Uber e Cabify veñen a quebrar a utilidade social que si que tiñan os taxis como transporte público e deitan por enriba da mesa a exclusiva lóxica do mercado. Neste sentido, estas empresas non loitan por instalar o seu negocio en Negreira, en Samos ou en Mondoñedo, alí non teñen mercado. | Pois iso, estamos a vivir nun proceso de "uberizaçión" da nosa sociedade. E nestas levamos xa un tempo. A rebaixa de salarios, a rebaixa de dereitos sociais e laborais, xunto a un proceso parelho no tempo de concentración de capitais está a levar a un outro modelo de relacións laborais, a un outro modelo de traballo. Estes días ollamos como o sector da taxi está a sacar á rúa as protestas contra estoutro modelo que damos en chamar da " uberización" e que afecta non en exclusiva ao servizo de transporte público. Uber e Cabify entran nun mercado profundamente ríxido, onde as normas e os números " clausus" ata o de agora relativizaban a competencia o que permitía que o taxi seguira a ter unha función de servizo público. O problema destas novas formas de negocio afecta profundamente a esta parte de servizo público que monopolizaba dalgunha maneira ata o de agora o taxi. Tanto Uber e Cabify veñen a quebrar a utilidade social que si que tiñan os taxis como transporte público e deitan por enriba da mesa a exclusiva lóxica do mercado. Neste sentido, estas empresas non loitan por instalar o seu negocio en Negreira, en Samos ou en Mondoñedo, alí non teñen mercado. Unicamente proxectan o seu plano de negocio alí onde maximizam os seus beneficios. No fondo, é a lóxica do mercado sobre a que actúan deitando fóra calquera consideración sobre o uso social do transporte de pasaxeiros. Nestas vilas de pequeno tamaño o taxi leva aos anciáns ao médico, leva aos nenos e nenas aos centros de ensino ou leva ás xentes ao centro da vila para facer as súas compras. Isto escapa á lóxica do mercado, isto non é para un mundo que camiña para a "uberización". Xa non quero entrar no modelo fiscal e de tributação; ou máis ben a falta dele; destas empresas, tampouco vou entrar no seu modelo de explotación laboral. Unicamente, esta reflexión sobre o que significa o taxi, debería servir algo para que parásemos a pensar sobre o seu significado dentro da nosa sociedade e da necesidade real e social de manter e soster este sector. Estamos nu mundo que camiña cara a "uberización" do modelo económico, un modelo que no fondo é contrarío ao principio de igualdade e de equilibrio territorial, un modelo que levan desfacendo desde finais do século XX co novo modelo de centralización das políticas e da mesma forma política do estado. Sobre o suposto argumento da ineficácia económica toma forza o lema da " España es una y no cincuenta y una". Esquecemos que como xa falou o que fóra ministro de economía, Carlos Solchaga, de que se queremos democracia, temos que saber que a democracia é cara. Causa sorpresa ver tamén como este modelo de sociedade de baixos dereitos é defendido desde certos sectores da esquerda; aquela máis urbana e máis " hipster"; e da dereita política, fronte aquel mundo moito máis custoso que representa unha viaxe en taxi. Se ben, ninguén reclama o servizo social do mesmo, e tamén con iso o seu sobre-custo fronte outras alternativas que non asumen estas, que podemos dar en chamar, externalidades e que si afrontam os taxis. Sorprende nesta " uberización" da sociedade, ver como certa esquerda está do lado das novas empresas, co seu modelo laboral de baixos dereitos, a súa nula función social no sentido máis intenso do termo e as súas tarifas "on- demand". Tamén coinciden neste tema con aquela xa famosa frase: "es el mercado amigos". Nestas camiñamos, desmontando servizos públicos e algúns aplaudindo coas orellas. Publicidade |
NOS_50792 | Libros sobre o intelectual cara ao 17 de maio | Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Compostela, 1990) foi, durante anos, a máis improbábel das figuras homenaxeadas polo Día das Letras Galegas. A opción lingüístico ortográfica que adoptou no tramo final da súa vida afastouno das preferencias académicas e insitucionais. Até o pasado ano, en que o plenario da Real Academia Galega decidiu que 2020 sería o de Carvalho. A maquinaria editorial púxose en marcha e a menos de tres meses do 17 de maio, as reedicións e novidades relacionadas co autor de Scórpio abundan xa nas librarías. Xustamente Scórpio (1987), a derradeira novela de Carvalho Calero, foi recuperada en 2018 por Através editora, logo de dúas décadas fóra de catálogo. Talvez a narración máis ambiciosa do escritor, relato xeracional sobre a quinta de mozos republicanos e galeguistas fanada pola Guerra Civil, conta cun epílogo do profesor Arturo Casas na nova edición. Máis recente, de inicios do ano en curso, data outra recuperación, a do seu debut no xénero: A xente da Barreira (Galaxia), de 1951, a primeira novela en galego da posguerra e, segundo o propio Carvalho, unha proposta neorrealista ambientada no mundo rural. Antoloxías poéticas A súa obra poética, porén, acadou menos repercusión, malia o sostido da súa práctica e publicación entre Vieiros (1931) e Reticências (1990). Dúas antoloxías rescátana neste 2020: Beleza, verdade (Chan da Pólvora), a cargo de Pilar Pallarés -quen en 1992 xa organizara Fillo de Eva (88 poemas de Ricardo Carvalho Calero)-; e Antologia da poesía em galego (Através), por Paulo Fernández Mirás e con limiar de Carmen Blanco. A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube |
NOS_50314 | A Galiza non está afeita a soportar unhas temperaturas tan altas como as que se están a experimentar nas últimas xornadas. A tensión térmica é un fenómeno provocado pola calor extrema vinculada ao cambio climático e que se está a facer sentir entre as traballadoras e traballadores e tamén nas actividades do campo. Explotacións agrogandeiras ven minguada a produción. | O estrés térmico por calor produce "unha dilatación das veas e das arterias" que provoca "unha diminución do funcionamento de todos os órganos do corpo", explica o médico especialista en Atención Primaria Xosé Dios. Nova xornada de récord pola vaga de calor: Ourense pulveriza a marca da terza feira e alcanza os 44 graos "Adaptar os horarios aos episodios de calor é fundamental", afirma o sanitario. Porén, "seguimos vendo xente nas estradas e en labores tremendamente agresivas con exceso de calor e en horas centrais do día", denuncia o experto en Atención Primaria. "Necesitamos manter a nosa temperatura corporal ao redor dos 37° para funcionar con normalidade", explica o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral da Galiza. Se "a temperatura central do corpo supera os 38°, pódense producir distintos danos á saúde, máis graves canto maior sexa a calor acumulada". Cando "se superan os 39° comeza o risco de golpe de calor", explican desde a institución galega de saúde e seguridade laboral. Coñeces os síntomas do golpe de calor? Isto é o que debes facer Non só o persoal laboral se ve afectado polo estrés térmico, numerosas granxas da Galiza veñen de reportar na última xornada que as vacas están a sufrir pola calor e que esta situación está a afectar a produción leiteira, que se viu diminuída. Así o ratificou a Nós Diario o gandeiro do municipio de Lousame, Manuel Castro, quen sinala que "as vacas non comen, padecen moito estrés e iso provoca que a súa produción baixe de forma importante". Mudanza climática Os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, Dominic Royé, Alberto Martí e Roberto Cabalar teñen estudado o fenómeno do estrés térmico na Galiza en 2012. As súas conclusións indicaban que "o estrés térmico por calor afecta á metade meridional da Galiza, especialmente a zona sudoriental". 34 persoas morreron na Galiza desde a primavera polas altas temperaturas No resto da metade meridional da Galiza "os días con tensións por calor son ocasionais", explicaban. Porén, esta vaga de calor está a deixar situacións até o de agora excepcionais que o cambio climático ameaza con normalizar. |
PRAZA_17165 | A consulta convocada pola coordinadora de En Marea sobre a permanencia de Quinteiro no Parlamento conclúe cunha participación de 928 persoas, o 38,8% do censo da formación Quinteiro ve "un fracaso" a votación de En Marea e ratifica que continuará no Parlamento | Quinteiro ve "un fracaso" a votación de En Marea e ratifica que continuará no Parlamento O 85% da militancia que participou na consulta formulada pola dirección de En Marea sobre a permanencia no Parlamento da deputada Paula Quinteiro considera que debe dimitir. Un total de 790 persoas inscritas no censo interno da formación respondeu afirmativamente á pregunta "consideras que Paula Quinteiro debe dimitir do seu cargo de deputada no Parlamento galego polo uso da súa acta de deputada para un asunto particular?", mentres que 138 apostaron pola súa permanencia na Cámara galega. A coordinadora da organización fixo públicos na madrugada deste xoves uns resultados que suman unha participación total de 928 sufraxios, un 38,8% do total do censo válido para a consulta, composto por 2.387 persoas, segundo os datos publicados por En Marea. Este dato de participación, resalta a dirección, é "superior ao doutras consultas previas", e será incluído nunha "resolución" que "será comunicada á deputada para que obre conforme ao código ético de En Marea e aos seus principios fundamentais, que depositan o poder nas bases", sinala nun comunicado. O cesamento de Quinteiro por mor do altercado coa Policía Local de Santiago no que se viu implicada o pasado marzo vén sendo a tese defendida pola coordinadora de En Marea a comezar polo seu voceiro, Luís Villares, mentres que é rexeitado pola maioría de membros do grupo parlamentario e tamén polo sector crítico da formación, que impulsou durante a consulta un manifesto titulado Coidando a unidade, instando á abstención na votación. A xuízo de Villares, partidario da dimisión, a "solución" máis "positiva" ao acontecido é "consultar ao órgano que nunca se equivoca, que son as bases". "Viñemos gobernar para a xente e escoitar a xente, por que non neste caso?", resaltou. Villares, partidario do cesamento de Quinteiro, defendeu a consulta ás bases como vía máis "positiva" para resolver o "conflito"; a deputada coida que debera impulsarse un procedemento revogatorio Quinteiro, pola súa banda, xa advertiu de que non dimitiría aínda que o resultado desta consulta así o indicase. Dende o punto de vista da tamén membro de Podemos "as consultas ás bases son fundamentais, pero penso que quen está incumprindo o mandato ás bases é quen lanza a consulta", xa que debería formular "un revogatorio", xa que ese é o procedemento "que decidimos entre todas", advertiu. Quinteiro considerou ademais que a pregunta formulada á militancia é "tendenciosa" xa que "se baseou na suposta intención de beneficiarme dalgún tipo de prebenda por ser deputada" na identificación dos seus acompañantes na noite dos feitos, cando a Policía compostelá recibiu o aviso de que un grupo de persoas estaba a romper retrovisores de vehículos aparcados na rúa. A actual coordinadora de En Marea, que trasladará os resultados da consulta ao Consello -máximo órgano entre plenarios- para realizar unha "avaliación conxunta", condicionara a súa permanencia á fronte da organización ao resultado desta consulta, que en calquera caso non é vinculante, toda vez que as actas parlamentarias son persoais. A dirección agradece, non obstante, a "vontade democrática" das persoas participantes, polo seu "compromiso para confirmar entre todas a posición do espazo nun tema tan importante coma este". Quinteiro, pola súa banda, valorará os resultados nunha comparecencia ante a prensa no mediodía deste xoves. |
NOS_51411 | Feijóo substitúe así a Jesús Vázquez e Elena Múñoz que concorrerán ás eleccións municipais en Ourense e Vigo, respectivamente. | Segundo o comunicado difundido pola Xunta de Galiza as persoas que substituirán a Jesús Vázquez e Elena Múñoz á fronte das consellarías de Cultura e Facenda serán Román Rodríguez e Valeriano Martínez. Ambos os dous foron nomeados polo presidente, Alberto Núñez Fejóo e tomarán posesión do seu novo cargo esta terza feira (10 de febreiro) ás 09.00h no Pazo de Raxoi. Román Rodríguez é deputado por Pontevedra na Cámara lexislativa e profesor na Universidade de Santiago de Compostela, no departamento de Xeografía e Historia. Foi concelleiro en Lalín desde 1999, de onde é natural, asumindo responsabilidades nas áreas de Cultura, Medio Ambiente, Urbanismo e Desenvolvemento local. Até o de agora desenvolvía os labores de vice-portavoz do grupo parlamentar do PP en materia de Educación, Urbanismo e Ordenación do Territorio. Pola súa banda, Valeriano Martínez foi até o de agora Secretario Xeral de Presidencia após ser director xeral de Recursos Humanos do Sergas, director xeral de Transporte e auditor do Consello de Contas de Galiza. É licenciado en Ciencias Económcias e Empresariais. |
NOS_39510 | Para min foi moito máis que un referente, foi un amigo e un confidente, do cal aprendín grandes leccións de saber estar, na profesión xornalística e tamén na vida. | Irmán do teólogo Xosé Chao Rego (1932-2015), Ramón naceu en Vilalba (Lugo) en 1935 e criouse tocando o piano na fonda que rexentaban os seus pais, onde adoitaban hospedarse figuras como Álvaro Cunqueiro ou Xosé María Díaz Castro. Recibiu unha bolsa do Concello de Vilalba e outra da Deputación de Lugo, coas que se trasladou a Madrid para estudar piano, harmonía e bacharelato. En 1955 foi finalista do Premio Nacional de Virtuosismo e desde Madrid foise a París, con outra bolsa do Goberno español de dous anos, que completou cunha estadía similar a cargo do Goberno francés. Perfeccionou o piano con Lazare Lévy e Magda Tagliaferro, e Composición con Nadia Boulanger. Na capital francesa fíxose xornalista, entrando a traballar en Radio France "porque falaba galego", segundo confesaba hai anos nunha entrevista, "pois buscaban un locutor que soubese música e portugués". Entrou a traballar en Radio France "porque falaba galego" e na emisora procuraban "un locutor que soubese música e portugués" En 1968 foi nomeado xefe do servizo cultural en español e portugués, e en 1980, redactor xefe de todas as emisións, culturais e informativas, en ambos idiomas. Desde París sempre mantivo o contacto con Galicia, facendo unha permanente reivindicación da nosa cultura e da nosa lingua, como quedou patente no conxunto da súa obra. En París, Ramón Chao dirixiu emisións radiofónicas en lingua galega, que serían prohibidas polo ditador Franco, e foi correspondente da revista Triunfo. Na Europa de posguerra houbo pouca xente cos accesos directos que tivo Ramón á intelligentsia de América Latina e tamén do exilio español. Pablo Neruda, Juan Carlos Onetti, Miguel Ángel Asturias, Nicolás Guillén, Alejo Carpentier, García Márquez, Cortázar -e moitos outros autores- foron para Chao a lección aprendida de cada día. Ramón Chao foi colaborador habitual durante décadas na prensa e na televisión francesa e foi nomeado Cabaleiro das Artes e as Letras polo Goberno de Francia en 1991. Destacou como crítico literario en Le Monde e polas súas colaboracións en Le Monde Diplomatique, publicación mensual dirixida polo xornalista Ignacio Ramonet. Contou no seu haber con máis de vinte libros, entre novelas e biografías. Nos seus derradeiros anos, promoveu a iniciativa cultural Amigos de Prisciliano. Chao foi o creador e impulsor do premio Juan Rulfo, un galardón outorgado por Radio France Internationale desde 1982 e coorganizado polo Instituto Cervantes de París, Casa de América Latina, Instituto de México en París, Colexio de España, Le Monde Diplomatique (edición española), Unión Latina e FondaChao. En 2015 recibiu unha homenaxe popular en Vilalba, o seu pobo natal, cunha escultura conmemorativa –un piano de pedra denominado Prisciliano- que quedará para sempre formando parte da paisaxe no Hectómetro Literario do Paseo dos Soños. Ramón Chao deixounos unha novela póstuma, un texto autobiográfico baixo o suxestivo título O Fillo Pródigo, de próxima publicación. Casado con Felisa Ortega, que o acompañou ata o final, tamén foi coñecido internacionalmente por ser o pai de Manu e Antoine Chao, fundadores da banda de punk-rock Mano Negra. Hoxe quedámonos orfos do noso pai intelectual, perdemos ao noso amigo, con maiúsculas. Nunca te esqueceremos, sempre estarás connosco no Camiño de Prisciliano. Este texto viu a luz en AVozdeVilalba.gal |
NOS_47222 | O presidente da Xunta escudouse nos datos do impacto da pandemia na Galiza para "rexeitar" que a crise vivida nas residencias a causa da Covid-19 teña relación co modelo privatizado de xeriátricos polo que aposta o Goberno galego e desbotou as propostas do BNG para priorizar un modelo residencial de carácter público [VÍDEO NO INTERIOR]. | O modelo de residencias de maiores na Galiza xerou un tenso debate entre a líder do BNG, Ana Pontón, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, no marco da sesión de control ao Goberno galego no Parlamento. Fronte á validez que o mandatario dá ao actual sistema -con máis de 8 de cada 10 prazas nas entidades prestadoras de servizos sociais da Galiza de titularidade privada-, a nacionalista pediu camiñar cara á xestión pública e reclamou que os sete novos xeriátricos previstos nas cidades sexan de xestión directa da Xunta. Avogou por recuperar para o público as prazas e centros privatizados a medida que venza o seu réxime de concesión e propuxo unha lei de residencias "que poña as persoas maiores no centro, sabendo que a residencia é o último recurso". Na quenda de respostas, Feixoo defendeu que a Galiza foi o territorio peninsular "con menos impacto mortal da Covid-19" nos xeriátricos e Pontón reprendeuno por "presumir" de cifras cando faleceron centos de residentes. Aliás, Feixoo acusou o BNG de non respectar as e os traballadores do sector residencial privado: "Non merecen o seu respecto porque non son funcionarios", dixo. Lei de Saúde O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou na súa intervención a Xunta por seguir defendendo a Lei de Saúde que o Parlamento aprobou en febreiro e cuxo artigo 38, no que se inclúen medidas de control sobre doentes onde alude á vacinación obrigatoria, foi recorrido polo Goberno español no Tribunal Constitucional xa que, como dixo Caballero, "vulnera dereitos das galegas e galegos". Feixoo lamentou o seu "boicot" e insistiu nun aviso: "Os galegos e o resto de españois estaremos desamparados tras o 9 de maio", cando finalice o estado de alarma, xa que o Goberno estatal nin "lexisla nin deixa lexislar", dixo. O socialista concluíu advertindo de que a Xunta debe actuar no marco "do Estado de Dereito" e sen "vulnerar" os dereitos fundamentais da cidadanía. |
PRAZA_2591 | O goberno local atopou máis de 1.300 metros cadrados que foran indebidamente inmatriculados polo Arcebispado de Santiago, que asegura que as parcelas son da súa propiedade segundo a "documentación sobre o inventario" que obra no seu poder | O Concello non descarta que a Igrexa se apropiase de máis terreos municipais na Coruña. Logo de que a administración local lle reclamase xa ao Arcebispado de Santiago que rectifique a inmatriculación que fixo de parcelas "de dominio público municipal", fontes de María Pita ven "probable" que se atopen máis casos. "Pódense encontrar máis", advirten, despois de que o departamento de Patrimonio detectase máis de 1.300 metros cadrados de terreo colindantes a tres centros parroquiais rexistrados polas autoridades eclesiásticas malia ser áreas propiedade da administración local. O Concello non descarta atopar máis terreos rexistrados pola Igrexa que en realidade son de dominio público municipal A Área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda do Concello enviou o pasado luns ao Arcebispado unha circular na que "insta" a Igrexa "á rectificación voluntaria da inmatriculación" de tres terreos ao seren de propiedade municipal e estar rexistrados no catastro como se fosen da autoridade eclesiástica. A Arquidiocese, pola contra, asegura que os terreos que lle reclama o Concello son da súa propiedade e aclara que que "a documentación sobre o inventario que obra en poder do Arcebispado acredita, en calquera caso, a titularidade eclesial dos terreos dos tres templos". As reclamacións refírense a unha praza fronte á parroquia da Resurrección situada no Barrio das Flores e que ocuparía 678 metros cadrados, así como unha zona das rúas achegadas e máis o adro ou praza situadas xunto á Igrexa de Santiago e á colexiata de Santa María, ambos os dous espazos na Cidade Vella e que ocuparían 256 e 470 metros cadrados respectivamente."Son tres casos bastante chamativos, pero iso non quere dicir que non haxa máis. A área de Patrimonio está levando a cabo moitas tarefas, entre elas a actualización do patrimonio xeral municipal, e a medida que vai detectando algunha eiva, comunícaa", aclara Xiao Varela, concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda. A Igrexa inmatriculou indebidamente, segundo o Concello, máis de 1.300 metros cadrados de terreo O Concello coruñés dá un prazo de dous meses á Igrexa para que proceda á rectificación das inmatriculacións indebidas, tendo o Arcebispado de Santiago quince días para presentar alegacións. No caso de non haber resposta, a administración local acudirá á vía xudicial. O Arcebispado, consultado por este diario, aclara que "no caso dos adros dos dous templos da Cidade Vella, é evidente que ambos os dous espazos son de uso público, pero de titularidade eclesial", mentres que no que se refire ao templo da Resurrección, no Barrio das Flores, asegura que "os rexistros de propiedade eclesiástica circunscríbense única e exclusivamente á edificación parroquial, sen que se rexistrase praza ningunha, tal e como aparece nas informacións". O Arcebispado esgrime que é propietario dos terreos que reclama o Concello e que o seu "inventario" acredita que pertencen á Igrexa En todo caso, todo parece indicar que esta inmatriculación indebida de terreos municipais por parte da Igrexa xorde dunha reforma da lei hipotecaria de 1998 durante o goberno de Aznar, que lle permitiu en exclusividade inscribir lugares de culto e outras propiedades que non estivesen rexistradas. Chegou a rexistrar unhas 4.500 propiedades en todo o Estado ao seu nome aproveitando que as certificacións e testemuñas que esixía a burocracia foi substituída por unha simple certificación do Bispado sen necesidade de posuír título de dominio ningún sobre o ben. Un dos casos máis polémicos foi o da Mezquita de Córdoba. Unha reforma de hai poucos meses desta lei hipotecaria eliminou este privilexio á Igrexa, pero sen carácter retroactivo, o que provocou as protestas de numerosos colectivos, que levaron o caso ao Parlamento Europeo. Sexa como for, no caso da Coruña, o Concello insta á rectificación da Igrexa ao comprobar que os bens que aproveitara para inmatricular non eran en realidade seus, senón de dominio público. |
NOS_46524 | A costa interior de Fisterra ofrece augas calmas, abrigadas; longos tramos de difícil acceso e espazos ocupados polas poboacións. | Un traxecto para completar o coñecemento da costa de Fisterra que, en contraste coa do mar aberto, ofrece augas calmas, abrigadas; longos tramos de difícil acceso e espazos ocupados polas poboacións. Paraxe: Seo de Fisterra / Concello: Fisterra / Percorrido: 15 km (lineal) máis desvíos / Dificultade: Media Comezamos en Estorde, no límite do concello con Cee, para poder camiñar pola esquerda da estrada e ter os cruces á man. Podemos seguir o trazado do camiño de Santiago, con desvíos, ou aproveitar a marea e camiñar pola beira do mar e polos cantís onde sexa posíbel. O tramo entre Estorde e Sardiñeiro é de cantís de pouca altura ásperos e recortados e sen acceso doado. En Estorde baixamos á praia e, se a marea nos deixa, podemos cruzala e camiñar logo un pouco polo alto das pedras até onde hai unhas roturas no cantil desde onde xa non é doado seguir; alí hai un carreiro que sube a un camiño que nos devolve á estrada -un pouco antes de chegar á estrada damos nun camiño e nel unha entrada por unha propiedade pola que podemos achegarnos a ver a praia de Restrelo. Seguimos pola beira da estrada até onde atopemos o primeiro desvío á praia de Sardiñeiro para percorrela e seguir, por dentro da localidade, até o porto desde onde abranguemos, cara atrás, unha panorámica da praia e a súa contorna e, cara adiante, un tramo de costa rochosa inaccesíbel até a punta da Illa. Do porto volvemos á estrada até que atopamos un camiño polo que se pode baixar á furna Grande, seo con coído recollido ao abrigo da Moíña, na punta de Sardiñeiro. Hai que volver á estrada para seguir até o miradoiro desde o que hai unha fermosa panorámica do que nos queda por diante. Xusto ao pasar o miradoiro entramos no Camiño de Santiago que baixa da estrada para pasar ao pé da praia do Talón, un seo recollido dividido en dous por un saínte rochoso, á que nos desviamos. Volvemos ao camiño para continuar á estrada e seguir pola súa beira uns 300 m até chegar á baixada á praia Langosteira, dous quilómetros de area -entre a Calcova e San Roque- pola beira do mar e de camiño acondicionado por detrás das dunas, que nos leva á entrada da vila. O relevo non deixa seguir pola beira, así que hai que volver á estrada até atopar a primeira ruela pola que se poida baixar para achegarnos á punta do Almacén e, logo, un carreiro para pasar pola punta da Conserva e entrar no porto. Pasado o porto, entramos na praia da Ribeira e o castelo de San Carlos, para ir á praia do Corveiro desde onde abranguemos a costa, sen accesos, rochosa e vertical, até o petón dos Corvos. Subindo da praia e volvendo un pouco atrás hai un carreiro que nos leva á estrada moi preto da igrexa, parada obrigada. Pola beira da estrada, con algúns puntos panorámicos, imos até a punta do Cabo. |
NOS_10915 | O Tribunal Internacional de Guerra sobre Palestina, tamén coñecido como Tribunal Russell, vén de publicar unha declaración após a sesión desenvolvida en Nova Iorq os días 6 e 8 de outubro. No texto o xurado popular internacional condena de maneira enérxica o apoio dos EUA a Israel desde o remate da II Guerra Mundial e a complicidade das Nacións Unidas, que permitiron as violacións reiteradas do ordenamento xurídico internacional cometidas polo devandito estado. | O Tribunal Russell --xurdido no ano 2009 da man de numeros@s cidadás e cidadáns comprometid@s cos dereitos humanos e a paz en Oriente Medio-- desenvolveu na cidade de Nova Iorq a súa terceira sesión após as desenvolvidas en Barcelona (2010), Londres (2010) e Cidade do Cabo (Sudáfrica, 2011). Conformado por importantes personalidades internacionais, entre as que se atopaban Mairead Corrigan Maguire, activista e premio Nobel da Paz, foi fundadora da organización Xente pola paz que procurou unha solución pacífica ao conflicto armado en Irlanda do Norte; Stéphane Hessel, presidente de honra do Tribunal e coñecido diplomático, escritor e militante político francés vítima da represión nazi; Alice Walker, escritora e poeta estadounidense; John Dugard, profesor de Dereito internacional e ex-relator especial da ONU sobre dereitos humanos ou José Antonio Martín Pallín, maxistrado emérito da Sala II do Tribunal Supremo español. Malia non gozar de estatuto xurídico internacional --que lle outorgaría carácter vinculante ás súas resolucións-- a lexitimidade destas emana do seu carácter universal e o apoio que recibe de importantes intelectuais, como aconteceu con outros tribunais como os de Viet-Nam Chile ou Iraq. Mairead Corrigan Maguire ou Stéphane Hessel son algunhas das persoas que conforman o Tribunal Na sesión desenvolvida en Nova Iorq, o Tribunal Russel sobre Palestina, centrou a súa tarefa na avaliación "da conduta dunha serie de empresas" que, ao abeiro do Dereito internacional, participaran directa ou indirectamente nas violacións dos dereitos do pobo palestino por parte de Israel. Neste sentido, o Tribunal asegura que distintas corporacións transnacionais "están proporcionando servizos e infraestruturas tanxíbeis que dan apoio aos asentamentos israelís e a ocupación de territorio palestino en Cisxordania, Gaza e Xerusalén Oriental", así mesmo acúsaas de exportaren armas, comercializaren con produtos agrarios procedentes dos territorios ocupados e de recibiren --os asentamentos ilegais e as entidades financeiras israelís-- fondos procedentes das organizacións e institucións financeiras internacionais. Doutra banda, o Tribunal Internacional puxo de manifesto o sistema que permite a estas corporacións "actuaren de maneira ilícita" e achegou fórmulas para que os estados e as organizacións internacionais exixan responsabilidades por tales feitos. Aliás, en Nova Iorq examinou de novo as violacións cometidas polo estado de Israel contra os dereitos humanos, os tratados internacionais e as resolucións adoptadas polas Nacións Unidas. O Tribunal condenou enerxicamente o apoio estadounidense a Israel e a complicidade da ONU nas violacións Os EUA e a ONU apoian e amparan os actos de IsraelApós revisaren a situación que está a vivir o pobo palestino no actual contexto da rexión, o Tribunal concluiu que "a expansión continua de asentamentos coloniais, as políticas raciais desenvolvidas por Israel, así como o seu militarismo violento non sería posíbel sen o apoio dos Estados Unidos", tanto económico, como militar ou diplomático. O xurado popular internacional salientou o "compromiso" amosado polos EUA após a II Guerra Mundial "co estabelecemento de Israel e coa súa viabilidade como Estado xudeu exclusivista", que desenvolveu desde o comezo agresións contra os dereitos do pobo palestino --a comezar polo seu propio xurdimento sob territorio de Palestina--. Asemade, continúa a declaración do Tribunal Russell, a máis do apoio moral outorgado de maneira diplomática ao goberno sionista, os EUA "prestaron un inequívoco apoio militar co obxecto de estabelecer unha superioridade cualitativa" sobre os seus veciños, violando así o seu propio ordenamento xurídico interno. Aliás, @s membros do xurado salientaron a inacción das Nacións Unidas e asegurou que "a falta de medidas concretas da ONU contra Israel constitúe un acto ilícito internacional, en prexuízo da Palestina, e implica a responsabilidade da organización", cuxa obriga --como así o indica a súa Carta fundacional-- é velar polo cumprimento dos dereitos humanos e dos pobos a nivel internacional. Así mesmo, o Tribunal Russell, asegura que "o carácter ilegal das omisións da ONU" supón dunha "gravidade extrema" perante o dereito internacional. |
PRAZA_1323 | Greenpeace advirte nun detallado informe das maiores ameazas medioambientais no país -entre as que destaca as térmicas, Ence, a "eucaliptización" ou a contaminación das rías-, pero gaba tamén a pesca artesanal, o "potencial renovable" e a exitosa "mobilización cidadá" en Corcoesto ou O Irixo. | 24 "puntos negros" para o medio ambiente. Son os identificados pola asociación ecoloxista Greenpeace en Galicia na súa Radiografía social do medio ambiente en España, un completo informe que analiza autonomía a autonomía os exemplos máis negativos, así como as iniciativas a seguir e imitar a nivel medioambiental. Greenpeace advirte de 24 "puntos negros" para o medio ambiente en Galicia e dez iniciativas de políticas verdes exemplares De entre os 400 puntos negros identificados no conxunto do Estado, 24 deles están en Galicia, mentres que o país achega tamén dez iniciativas e políticas verdes exemplares de entre os 214 "exemplos positivos a seguir" que se inclúen no estudo. Ademais, Greenpeace elabora tamén un ránking onde as comunidade autónomas aparecen ordenadas segundo a valoración obtida no Índice de Calidade Ambiental pola asociación ecoloxista. Galicia aparece no sexto lugar da táboa en canto a esta calidade ambiental, só superada por A Rioxa, Navarra, Madrid, Estremadura, Castela e León. O índice baséase nun diagnóstico que avalía a agricultura, a calidade do aire, costas, pesca, enerxía e cambio climático, protección e xestión do territorio e residuos. Galicia, ao igual que a maioría dos territorios, ten unha calidade ambiental "media", segundo o ránking de Greenpeace, aínda que Aragón, Cantabria, Comunitat Valenciana, Euskadi, Castela-A Mancha e Asturias saen peor paradas, cunha calidade "baixa". Galicia ten unha calidade ambiental "media" e é a sexta comunidade no ránking do Estado Grennpeace, respecto ao país, destaca sobre todo "a ameaza que supón a contaminación das rías", un problema "sen resolver" que afecta a pesca e o marisqueo. No lado positivo, a asociación ecoloxista resalta o "valor engadido que dan ao emprego verde e á aposta por preservar os recursos de Galicia a pesca artesanal e sustentable e o marisqueo". A entidade, por primeira vez, tamén centra o estudo nas "duras consecuencias sociais" que supoñen as agresións ao medio ambiente nas comunidades autónomos, así como os "impactos positivos" que provocan as boas prácticas medioambientais. A organización ecoloxista advirte da ameaza da contaminación nas rías "un problema sen resolver que afecta a pesca e marisqueo" Así, establece tamén o vínculo entre as infraestruturas inútiles e os escándalos por corrupción e o desbalde de cartos públicos; ou entre unha política enerxética ditada polas eléctricas e as enfermedades e pobreza enerxética; ou entre a xestión forestal e as privatizacións e a perde de dereitos laborais. No informe dedicado a Galicia, Greenpeace dedica cadanseu apartado ás situacións negativas e positivas no ámbito medioambiental. Así, no plano enerxético, a asociación ecoloxista censura que o Parlamento galego desbotase por unanimidade en 2009 unha proposición para a instalación de parques eólicos no litoral galego, ademais de alertar outra vez da presenza de dúas centrais térmicas de carbón altamente contaminantes (a das Pontes e a de Meirama), así como dúas de ciclo combinado, tamén nas Pontes e en Sabón. Tamén advirte dos vertidos que a refinería de Repsol na Coruña ten producido sobre O Portio ou Suevos ou os problemas que crea a regasificadora en Mugardos. Os vertidos industriais e urbanos e o tráfico marítimo "teñen deteriorado a calidade das augas das rías galegas" e céntranse en Ence, que "leva contaminando anos a ría de Pontevedra" e goza dunha "prórroga amparada pola nova Lei de Costas". Entre os maiores problemas, Greenpeace cita as centrais de Meirama e As Pontes, a refinería de Repsol, Ence ou a deficiente xestión de Sogama Greenpeace alerta tamén da pesca destrutiva, como o arrastre de profundidade ou as granxas de salmón na ría de muros e Noia, ou da deficiente xestión de residuos e aguas, xa que "só se reciclou ou recuperou o 13,48% en 2013". Así, censura a queima de residuos da cementeira de Ourol, o anómalo funcionamento de Sogama e a súa prevista ampliacion ou o "vertedoiro de medicamentos" que se sitúa tamén en Cerceda, con "milleiros de toneladas depositadas". Ademais, lembra que son varios os municipios que incumpren a directiva europea de augas. A "eucaliptización de Galicia", que abrangue o 28% da superficie arbórea, os constantes e grandes incendios -o 44% dos lumes no Estado en 2013 foron no país, di- ou o feito de que menos do 10% da superficie forestal estea xestionada merecen tamén as críticas dunha asociación que destaca que "só un 23,4% do territorio está declarado espazo natural ou en Rede Natura 2000. "O 9% do litoral é artificial (franxa dos primeiros 500 metros) e numerosos concellos solicitaron a redución da servidume a tan só 20 metros", insiste Greenpeace, que recorda os efectos do cambio climático na costa co perda de praia e os danos materiais provodados polo aumento de temporais. Ademais, alerta da "especulación urbanística" nalgunhas zonas e do feito de que Galicia sexa "a quinta comunidade máis ameazada pola perda de insectos polinizadores", en referencia á desaparición de abellas. A "eucaliptización de Galicia", que abrangue o 28% da superficie arbórea, é unha das principais eivas que sinala o informe A exitosa "mobilización cidadá" en Galicia Pero non todo é malo, nin moito menos. Greenpeace destaca que en Galicia non hai ningún proxecto de fracking, así como que o Parlamento se pronunciase en 2013 contra esta práctica. Ademais, destaca que o país é a terceira comunidade que máis enerxía renovable produce (11.957 GWh) e a segunda que xera máis enerxía con instalacións eólicas (9.496 GWh) e a que máis enerxía xera por hidráulica (1.844 GWh). A entidade ecoloxista gaba o "potencia renovable" de Galicia, que "podería abastecer con enerxías renovables 45 veces a súa demanda de electricidade para 2050". Greenpeace destaca a "potencia renovable" de Galicia e a exitosa "mobilización cidadá" en casos como o de Corcoesto ou O Irixo Greenpeace tamén destaca a "mobilización cidadá" e o "activismo" da sociedade, como o da Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo ou o rexeitamento á mina de ouro de Corcoesto "que provocou que o proxecto fora finalmente denegado pola Xunta". Ademais, lembra que o país non ten cultivos tranxénicos malia que si se sementaron 4,28 hectáreas en proba, polo que "se quere ser Zona Libre non o debería permitir". Neste ámbito destaca a mobilización da Plataforma Galega Antitransxénicos e gaba a "concienciación cidadá" contra a incineración pola recollida de 15.00 sinaturas na ILP, así como a "mobilización veciñal no Irixo contra a construción da incineradora do sur". Mención á marxe merece a pesca. "Galicia está entre as autonomías con maior número de embarcacións de pesca artesanal, uns pescadores que se mobilizan en defensa desta pesca e que reclaman que o arrastre se afaste da costa", di Greenpeace, que destaca asociación como Asoar Armea e Agamar e que fai referencia a "importantes exemplos" como a Reserva Mariña d'Os Miñarzos en Lira-Carnota. Pola contra, o informe destaca que a empresa Vidal Armadores, con base en Ribeira, "foi condenada once veces e denunciada outras sete por pesca ilegal". |
NOS_11640 | Arremecághona's produçións, o selo discográfico autoeditado do Leo, acaba de publicar o novo traballo do alter ego de Leonardo Fernández Campos, esta vez asinado polo Leo de Matamá. Sé [mente de vencer] é, polo momento, unha fita dixital con dez temas acústicos que interpreta el só, ao vivo, seguindo o concepto de monobanda. Sermos Galiza conversa co cantautor que se agocha tras unha das personalidades musicais máis senlleiras da música galega actual. | Os traballo publicado en bandcamp ten o formato dunha fita dixital, con face A e face B. Vai haber tamén edición en físico? Si, de feito foi gravado en fita nun catro pistas dos anos 80, a unha casete das de antes. De cromo e con calidade, pero o proceso basicamente foi a partir do analóxico. Despois a mestura e a masterización fixéronse en dixital, pero o obxecto final que vai haber é unha fita. Nin CD nin nada. Por que esta decisión de voltar á fita? Eu quería un son analóxico, mais gravar dese xeito ben é caro. Non hai moitos estudos que o fagan Pois, para comezar, porque me era práctico ao ser barato. Eu quería un son analóxico, mais gravar dese xeito ben é caro. Non hai moitos estudos que o fagan. Entón ocorréuseme que unha boa solución era intentar gravar en lo-fi, a unha versión barata que era este catro pistas, procurando tamén ese son maqueteiro do punk, do «Do It Yourself» dos 80, que recorda tamén ás gravacións tradicionais de campo de comezos do século pasado. Hai unha certa nostalixia? Nostalxia sempre hai. Iso na música popular está funcionando sempre. De feito, por iso existen os revival e está volvendo todo cada vinte anos. Como se vai poder adquirir ese formato físico? Deixareino nalgúns sitios estratéxicos que xa son salas amigas ou espazos nos que eu teño tocado, como o Batallón en Vigo ou a Arca da Noe en Vilar de Santos, e tamén nalgún sitio de Compostela. Fixen unha primeira tiraxe (ou estou facendo, que aínda non me chegaron, estanse fabricando en Portugal) de 300 copias e ireinas vendendo polos concertos, que xa me están saíndo varios. Este traballo chega, como aconteceu con outros previos como A neurona na patineta, desde o directo? Hai un fío neste disco, a escolla das pezas está bastante meditada, moito máis ca no resto Si, pero este ten algo máis. Hai un fío neste disco, a escolla das pezas está bastante meditada, moito máis ca no resto. A Neurona, por exemplo, buscaba o caos, a lóxica era a do directo caótico. Ostia, por exemplo, si que ten unha certa lóxica, pero máis de tese-antítese-síntese. Neste caso hai un fío subterráneo, unha historia que é consciente. O que si, está gravado en directo, porque eu sempre o fago dese xeito, cos Labregos [do tempo dos Sputniks] tamén, aínda que sexa no estudo. Son unha monobanda, ergo toco todo á vez. Estes temas, en principio, nunca os probara diante da xente. Metinme a gravar xa hai tempo unha primeira versión disco e non saía, non me convencía. O que pasaba é que me faltaba o contraste co directo. Entón, decidín facer unha maqueta en directo no Batallón e na Arca da Noe. A xente foime acompañando no proceso, mandeilles un rexistro que fixen cunha gravadora dixital e fóronme dicindo que lles parecía. Dalgunha forma sé [mente de vencer] é un produto comunitario, pois deime de conta do importante que era o feedback que eu recibía do público á hora de armar as cancións e sobre todo de gravalas, até tal punto que non era capaz de plasmalas sen contrastalas antes co público. Metinme a gravar xa hai tempo unha primeira versión disco e non saía, non me convencía. O que pasaba é que me faltaba o contraste co directo Por iso se di que «foron armadas polo pobo»? Si, pero tamén porque eu non creo na autoría individual e mais se falamos da música popular. Tanto no blues como no folk son tres acordes e eu non os inventei. Con que dereito podo daquela rexistrar ou declararme dono dunha peza na que, aínda que escribise eu a letra ou a melodía, estou usando unha roda de acordes que inventou o pobo? Partindo de aí, penso que son o último elo da cadea. E oxalá que esta siga despois de min. Cal é esa historia que atravesa sé [mente de vencer]? Hai un subtexto que a min me sorprendeu. Eu coloquei os temas como nos outros traballos, mais sendo consciente de que tiña que ser un disco máis pechado. A medida que ía mesturando, dábame conta de que saltaba esa narrativa que tiñan por debaixo das cancións. Non cha vou dicir porque sería roubarlle á xente a posibilidade de elucubrar con iso. Pero si que é certo que agromou a serendipia e de súpeto todo encaixaba e tiña lóxica. Dinme de conta despois de escoitalas xuntas. A medida que ía mesturando, dábame conta de que saltaba esa narrativa que tiñan por debaixo das cancións Nesta dimensión da música colectiva, resulta difícil determinar cales dos temas son versións e cales propios. Versións son tres, pero cambiei a letra de arriba para abaixo. Certo que ten unha certa conexión coa orixinal, ás veces con chistes, como «Terra Cha» en vez de «Bella Ciao». Xunto a esta, hai outro tema popular, «O paseo», recollida de Herminia Miramontes entre Compostela e Trazo, das poucas cancións líricas populares comprometidas politicamente que coñezo. Despois está unha versión de «Love me, I'm a liberal», na que Phil Ochs fai unha historia dos liberais americanos, mentres eu reviso o Piñeirismo, que me parece o equivalente da nosa cultura política. Ao «Partisano» de Anna Marly, popularizado por Leonard Cohen, chámolle «X guerrilleirx». O resto son orixinais, até o punto que che digo, porque eu creo que orixinal non hai nada, mais nesas non hai uns elos anteriores tan evidentes. Consolida este traballo un paso no seu percurso de cañautor a cantor de intervenção? Eu sempre combinei todos os paus. O que teño son heterónimos, coa súa personalidade tamén. Eu sinto que o Leo de Matamá é unha persoa diferente de Arremecághona e do En-Riquinho. Enfoco o meu labor de cantautor tamén cunha dimensión teatral. Son eu quen arma todo en última instancia, pero está feito desde personalidades e lóxicas diferentes. Certo que o Leo de Matamá preocúpase máis pola música ca os seus irmáns, pero teño pensado volver a facer punk se a dita é boa, e tamén resucitar ao En-Riquinho, facerlle disco é algo que xa leva moitos anos pendente. Enfoco o meu labor de cantautor tamén cunha dimensión teatral É complexo tratar con tantas personalidades musicais diferentes? Non, eu de feito fágoo porque me sinto máis cómodo. A min sáenme cancións de moi diferente índole e considero que non son miñas, cada unha é da súa personaxe, o que me permite poder facer moitas cousas distintas. Para min é máis doado. Todas estas personalidades, con todo, teñen un forte compromiso social. Cres que a arte pode non ser política?Non, eu non creo que exista nada que sexa apolítico. É como ser amoral. Non se pode, nin sequera querendo. Aínda que a xente diga que non, ao fin e ao cabo está influíndo politicamente coa súa postura ou coa falta dela, coa ausencia de compromiso. Resúmeo esa famosa frase: «o que tememos é o silencio dos neutrais». |
PRAZA_72 | A administración dun medicamento contra o cancro de próstata para doentes sen quimioterapia, aprobada pola UE en setembro de 2011, non foi autorizada polo Goberno español ata o verán de 2014 e pola Xunta, ata o pasado setembro. Pacientes oncolóxicos esixen "equidade" no acceso aos fármacos. | En outubro de 2012 a Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico de Santiago (AUSO CHUS) lanzaba unha alarma. A abiraterona, un fármaco indicado para o tratamento do cancro de próstata, non estaba sendo administrado a pacientes do hospital aínda que isto supuña contradicir o criterio do prestixioso equipo do servizo de Oncoloxía do centro. O medicamento, explicaban dende AUSO, administrárase "mentres foi gratuíto, no período previo á súa comercialización" pero "suprimiuse despois" por motivos económicos. Pouco despois desta alerta a Xunta completaba os trámites para que doentes desta patoloxía que xa recibiran quimioterapia -co fármaco docetaxel- puidesen obter tamén este fármaco, pero ficaba fóra outra aplicación, a dos doentes sen quimio, que non chegou ata finais de 2014, tres anos despois da súa autorización pola Axencia Europea do Medicamento. O trámite que segue calquera medicamento para poder chegar aos pacientes dos hospitais ten, en esencia, tres chanzos. O primeiro é o visto e prace por parte do devandito organismo europeo e o segundo, a autorización da súa dispensación e financiamento dende a Agencia Española de Medicamentos y Productos Sanitarios, dependente do Ministerio de Sanidade. Por último chega a luz verde da Comisión Autonómica Central de Farmacia e Terapeútica, órgano creado en 2010 para asesorar o Sergas na materia e acabar, segundo a Consellería de Sanidade coas "discrepancias que existían cando eran as comisións de farmacia dos diferentes hospitais as que tomaban as decisións locais". A aplicación do medicamento para doentes sen quimioterapia foi autorizada pola UE en setembro de 2011 e en Galicia, no mesmo mes de 2014 Segundo detalla Sanidade nunha resposta parlamentaria ao PSdeG "a abiraterona foi incluída no financiamento" público para pacientes de cancro de próstata "tras un réxime de quimioterapia" no ano 2012 e, "moi recentemente", a Agencia Española del Medicamento "autorizou unha nova indicación terapéutica", a dos pacientes "nos que a quimioterapia non está aínda clinicamente indicada". "Esta nova indicación precisou dunha nova resolución de financiamento" do Ministerio que, "unha vez producida, deu como resultado a súa inclusión no Nomenclátor en xullo de 2014". "No mes de setembro" dese mesmo ano a Comisión Autonómica "emitiu o ditame de inclusión" para "todos os hospitais do Servizo Galego de Saúde". Se ben todo o indicado por Sanidade é estritamente certo o Goberno galego obvia na súa resposta un aspecto que non é menor. A Axencia Europea autorizou a comercialización e aplicación da abiraterona, presentada a través dun fármaco co nome comercial Zytiga, o 5 de setembro de 2011. Fíxoo, concretamente, para as súas dúas aplicacións a dos pacientes que xa recibiron quimioterapia e a daqueles que aínda non a precisaron. Así as cousas, os sucesivos trámites e dilacións provocaron que entre a primeira autorización, a da UE, e a última, a da Xunta, pasasen tres anos. "Non existe acceso igualitario" Este atraso de tres anos é, a xuízo de AUSO, unha mostra máis de que "non existe uniformidade" nin "acceso igualitario" aos medicamentos "para todos os pacientes", toda vez que o acceso normalizado á medicación non chega "ata que pasan todos estes trámites burocráticos, creados co único propóstio de aforrar á nosa costa", di a voceira do colectivo, Montse Recalde. En declaracións a Praza Recalde explica que a Axencia Española "está tendo atrasos de máis dun ano na aprobación de tratamentos novidosos e beneficiosos unha vez que se aproban en Europa" e, "tras ese atraso, os enfermos aínda temos que agardar que a Comisión Autonómica os aprobe", o que "introduce inequidade entre pacientes de diferentes autonomías". Os doentes advirten de que o Ministerio "está tendo atrasos de máis dun ano na aprobación de tratamentos" "Durante o tempo que tarda en aprobarse un fármaco pola comisión autonómica -explica- os enfermos só podemos recibir as novas terapias" a través do denominado "uso compasivo", isto é, por medio da solicitude do oncólogo á dirección do hospital que, á súa vez, ten que pedir autorización do Sergas para cada caso concreto. "É aquí onde xorde a inequidade", resalta Recalde, xa que "cando un especialista quere receitar" un fármaco en cuxa efectividade confía "ten que pedir permiso ao director médico do seu hospital, nomeado pola xerencia, e esperar a ver se o autoriza ou non" nun contexto no que, ademais dos terapéuticos, tamén pesan os motivos económicos. Resposta da Consellería Neste escenario, na devandita resposta ao PSdeG a Consellería defende este xeito de tramitar as autorizacións. "Somos conscientes de que moitos profesionais, en base ao seu grao de coñecemento de determinados medicamentos, coñecen do seu potencial valor terapéutico polos datos preliminares que se van publicando nas distintas revistas científicas", di Sanidade, que di coñecer tamén "que o interese e preocupación suprema" dos profesionais da Oncoloxía "é o paciente e, en moitos casos, eses interese pode entrar en colisión cos procedementos e os tempos normativos". Sanidade admite que os "tempos normativos" poden "colisionar" co criterio médico, pero advirte de que "deben respectarse" Malia esa "consciencia", o departamento que dirixe Rocío Mosquera advirte de que "iso non é óbice para que eses procedementos e eses tempos deban executarse e deban respetarse". Isto é así, asegura, "por unha cuestión e equidade, valor do que todos debemos exercer como garantes". "Non é de estrañar que existan solicitudes extemporáneas ou mesmo, para situacións clínicas que así o requiren, accesos compasivos ou a medicamentos estranxeiros ou en indicacións fóra de ficha técnica", di Sanidade, que subliña que "todo iso está normativizado e respéctase", pero os "tempos administrativos" seguirán sendo "necesarios". No caso da abiraterona, destaca, entre 2012 e 2014 foille administrada a 33 pacientes do CHUS e a 27 do Hospital da Coruña, polos que os socialistas preguntaban especificamente ante as protestas de doentes e profesionais. |
PRAZA_8860 | O Balonmán Cangas Frigoríficos do Morrazo perdeu este sábado 22-27 diante do Fertiberia Puerto Sagunto no Gatañal. Esta derrota, xunto coa vitoria do Octavio en Aranda de Duero, complica a permanencia dos cangueses | O Balonmán Cangas Frigoríficos do Morrazo perdeu este sábado 22-27 diante do Fertiberia Puerto Sagunto no Gatañal. Esta derrota, xunto coa vitoria do Octavio en Aranda de Duero, complica a permanencia dos cangueses, que vivirán un novo capítulo na vindeira fin de semana. O Cangas recibirá o Cuatro Rayas Valladolid, o Octavio ó Ciudad Encantada de Cuenca e o Quabit Guadalajara ó Balonmán Aragón. O Fertiberia Puerto Sagunto, que viña de disputar a fase final da Copa do Rei, baseou o seu triunfo en 16 minutos, os sete últimos da primeira metade e os nove primeiros da segunda, nos que endosou ós locais un parcial de 7-1, é dicir, o Cangas só marcou un gol en 16 minutos. Esa escasa bagaxe en ataque condenouno á derrota. O Fertiberia Puerto Sagunto, que viña de disputar a fase final da Copa do Rei, baseou o seu triunfo en 16 minutos, os sete últimos da primeira metade e os nove primeiros da segunda, nos que endosou ós locais un parcial de 7-1 A primeira metade caracterizouse pola igualdade. Ata o minuto 25 ningún equipo se puxo con vantaxe de dous goles. Íker Serrano desde o pivote e o montenegrino Mirko Milasevic con lanzamentos desde segunda liña facían dano polo Puerto Sagunto, mentres David García coa axuda esporádica de Serafín Pousada e Rosales replicaban para o Cangas. Pasaban os minutos, pero nin a exclusión do visitante Ángel Fernández nin os tempos mortos cambiaban a película. O Cangas probou nalgunha ocasión a defensa 4-2 con marcaxe individual sen éxito. Dani Cerqueira poñía o empate a 10 no minuto 23, pero desde entón todo cambiou. O Puerto Sagunto apertou en defensa e mantivo a efectividade en ataque. Emerxeu o lateral Juan Antonio Vázquez, que primeiro marcou o 10-11, e o Cangas acusouno. Despois, nunha xogada polémica moi protestada no Gatañal, na que o público reclamou pasivo tras varios golpes francos para os visitantes, Milasevic facía o 10-12 que abría oco por primeira vez no encontro. Dúas exclusións case simultáneas, do visitante Castellá e do local Amarelle, non cambiaron o guión. Suso Soliño errou un sete metros e de novo Juan Antonio Vázquez poñía o 10-13 co que se chegaba ó descanso. Antes, o lateral do Puerto Sagunto xa se levara a reprimenda do Gatañal por protestar unha acción a un dos colexiados. Aínda que o Cangas era consciente de que tiña que remontar tres goles, nos primeiros dez minutos do segundo acto seguiu a dinámica do final da primeiro. O Cangas atopábase unhas veces coa ordenada defensa rival, outras coas intervencións do porteiro Pablo Hernández, outras cos postes... e noutras era o desatino no lanzamento o que impedía o tanto cangués. O certo é que o Cangas só logrou un gol neses dez minutos, obra do extremo Adrián Pumar, o que supoñía un total de 17 minutos cun só gol a favor. Esa falta de efectividade ofensiva, ante un Puerto Sagunto que seguía vendo porta sobre todo grazas a Milasevic, pagouna cara o Balonmán Cangas. Cando se deu conta, o marcador tornárase moi adverso: 11-17 para o Puerto Sagunto. O Cangas atopábase unhas veces coa ordenada defensa rival, outras coas intervencións do porteiro Pablo Hernández, outras cos postes... O adestrador local foi o primeiro que buscou a reacción cun tempo morto. Suso Soliño marcou á contra o 12-17 que deu motivos para crer a un Gatañal moi enchufado que berrou "Fuera, fuera" cando os visitantes se excederon nun tempo morto, e protestou cada decisión arbitral adversa. O Cangas aproveitou a exclusión de Íker Serrano para acurtar distancias, uns tres ou catro goles que se mantiveron nos seguintes minutos. Valles anotou por dúas veces para os visitantes sobrepoñéndose á defensa 4-2 dos locais, ós que lles custaba transformar os sete metros: David García errou un e despois Suso Soliño só marcou no rexeite. O conxunto morracense debe gañar o vindeiro sábado no Gatañal ó Cuatro Rayas Valladolid, na penúltima xornada, para continuar unha temporada máis na liga Asobal Emerxeu entón o central visitante Rubén Ruiz con dous goles que devolvían a renda de cinco para o Puerto Sagunto. O Cangas aproveitou a exclusión de Milasevic para volver achegarse grazas á achega dos seus xogadores máis talentosos, David García e Adrián Rosales, pero o conxunto valenciano volveu situarse con vantaxe de cinco goles, demasiada vantaxe a seis minutos do final. Rubén Ruiz e o extremo Morñigo destacaron nun último tramo no que o Puerto Sagunto pechou o triunfo por 22-27 e condenou ó Cangas a sufrir unha semana máis na loita pola permanencia. O conxunto morracense debe gañar o vindeiro sábado no Gatañal ó Cuatro Rayas Valladolid, na penúltima xornada, para continuar unha temporada máis na liga Asobal. |
NOS_32938 | O peso abrumador das débedas contraídas polo clube nestes últimos anos, ao redor de 100 millóns de euros, findou por imporse. O Deportivo presentou concurso de acredores. | Lendoiro adiou todo o posíbel a presentación do concurso de acredores e nos últimos días tomou decisións que, unha vez que o clube estea formalmente intervido, quizá non podería ter tomado, entre elas as fichaxes de Domingos Paciência e as incorporacións de Silvio e Paulo Assunção. A partir de agora, a grande incógnita reside en esclarecer se o presidente do clube, durante máis de dúas décadas plenipotenciario e única fonte de poder na tomada de decisións da entidade, continuará a ter o control real do Deportivo. |
PRAZA_18265 | CRÓNICA DENDE O BRASIL O candidato ultradereitista encara a recta final cara á votación definitiva con case vinte puntos de vantaxe sobre Haddad, aspirante do PT á presidencia brasileira, que centra a súa estratexia na defensa da democracia Brasil vai a unha segunda volta electoral liderada polo ultradereitista Bolsonaro | CRÓNICA DENDE O BRASIL Brasil vai a unha segunda volta electoral liderada polo ultradereitista Bolsonaro A posverdade foi elixida palabra do ano en 2016 polo dicionario Oxford, á par que se comezaban a sentir os seus efectos na campaña electoral estadounidense. Segundo a definición do mesmo repertorio, o concepto refírese a circunstancias nas que os feitos obxectivos son menos influíntes na opinión pública que as emocións e as crenzas persoais. Configúrase daquela un muro difícil de quebrar entre a verdade revelada e a verdade sentida que nutre, entre outras cuestións, ás fake news, e despreza a verificación e o contraste informativo. A campaña electoral que está vivindo o Brasil é isto. Cantidades inxentes de información falseada xerada e compartida a través das redes sociais, -fundamentalmente grupos de Whatsapp-, onde a veracidade do contido queda nun segundo plano a favor de deslexitimar -con violencia en moitos casos- o adversario. Os medios tradicionais non teñen peso ningún máis que para informar sobre actos rutineiros de campaña e tamén son vítimas de ataques. A técnica é empregada de maneira maxistral polos seguidores do ultradereitista Jair Bolsonaro, tamén coñecidos como Bolsominions, creando fortes narrativas sobre a venezuelización do Brasil ou o adoutrinamento de crianzas nas escolas para se converteren á homosexualidade -caso do falso Kit Gay- no suposto caso de que gañe o candidato do PT, Fernando Haddad. Por tras do éxito da estratexia está a man de Steve Bannon, ultraconservador norteamericano que contratou a Cambridge Analytica para manipular a través do uso de big data ao electorado estadounidense nas últimas presidenciais e que aceptou dar apoio ao fillo do candidato brasileiro, Eduardo Bolsonaro, na campaña do seu pai. Cantidades inxentes de información falseada xerada son compartidas a través das redes sociais, onde a veracidade do contido queda nun segundo plano a favor de deslexitimar -con violencia en moitos casos- o adversario de Bolsonaro Nesta segunda volta a táctica da terra queimada, que xa se viña practicando dende hai meses por parte dos seguidores do Capitão reformado, non está deixando a ninguén indiferente. Bolsonaro, que desbotou participar en debates electorais esgrimindo razóns médicas, emprega o Facebook Live para se comunicar co electorado e dende aí, acusa a Haddad de ser un terrorista debido aos casos de corrupción que se asocian ao PT tras a operación Lava Jato ou afirma que a esquerda brasileira financiou ditaduras. Nun intento por moderar o seu discurso, o pasado domingo apareceu nun vídeo co maquillador homosexual Lili Ferraz, quen apoia a súa candidatura, asegurando que "todos nós do Brasil, somos seres humanos, brasileiros, patriotas, cumpridores dos nossos deveres e a opção de cada um interessa apenas pra ela. O Estado não tem que interferir nessa área", en contraste coas numerosas declaracións homofóbicas que realizou ao longo da súa carreira política. Tamén colocou o chapéu de cangaceiro, típico do Nordeste do país, para tentar buscar algunha simpatía nunha rexión que vota maioritariamente á esquerda. Bolsonaro, nunha imaxe divulgada pola súa candidatura / PSL Pola súa parte, o equipo de Fernando Haddad tamén realizou cambios na estratexia de campaña despois da primeira volta para captar ao electorado de centro. Unha das medidas máis evidentes foi a tentativa de desvincular na cartelaría a súa imaxe da do expresidente Luiz Inácio Lula da Silva, asociado á corrupción política. Se na primeira quenda Lula aparecía con Fernando Haddad e Manuela D'Ávila sobre un fondo vermello e o eslogan era "Haddad é Lula", agora so aparecen o candidato e a vicecandidata sobre un fondo azul no que se presenta a bandeira do país e as súas cores, baixo o lema "Todos pelo Brasil". Esta estratexia representa unha reapropiación dos símbolos nacionais que tras o Impeachment a Dilma Rousseff foran tomados pola dereita e nesta contenda electoral identificaban á candidatura de Bolsonaro. A estratexia de Haddad está centrada na defensa da democracia baixo o lema Todos pelo Brasil A nivel discursivo, a estratexia de Haddad está centrada na defensa da democracia, nunha clara mensaxe contra o seu opoñente caracterizado por deixes autoritarios e anhelos da ditadura militar, e contra as fake news. O candidato presentou a pasada semana a iniciativa Frente Ampla em Defesa da Democracia, que aspira a reunir a diferentes partidos políticos, movementos sociais e institucións da sociedade civil contrarios á idea de que Jair Bolsonaro chegue al Planalto. Non obstante, a manobra non está tendo o resultado esperado posto que os seguidores do candidato do PSL no perciben que a democracia estea en xogo, polo que non se está a producir ningún transvasamento de votos. A campaña do PT rexeita elevar o nivel de violencia política contra o adversario e avoga por discursos pedagóxicos, pero nesta contenda, cunhas regras difusas aínda por definir con claridade, esas non son as armas que funcionan. Última enquisa e alianzas Imaxe electoral de Fernando Haddad / PT Jair Bolsonaro segue varrendo nas enquisas. Os últimos datos do Ibope, que se coñeceron a pasada noite do luns, prognostican 18 puntos de vantaxe do Capitão sobre Haddad. Bolsonaro conta cun 59% dos votos válidos mentres que o petista ten o apoio do 41% do electorado. Os resultados confirman a viraxe conservadora do país que case lle fixo gañar as eleccións ao candidato do PSL na primeira volta cando este obtivo o 46% dos votos fronte ao 29% de Haddad. O estudo do Ibope tamén reflectiu o índice de rexeitamento dos candidatos que antes da primeira quenda se situaban en puntos similares. Por primeira vez ao longo da campaña, agora é o petista o que encabeza o índice cun 47% de rexeitamento seguido por Bolsonaro cun 35%. O mercado financeiro adoptou unha postura favorable ao longo do día de onte mentres agardaba o resultado da enquisa, que dificilmente ía mudar as tornas. A bolsa brasileira subiu mentres o dólar caeu un 1%, apoiados polo mercado exterior. Os últimos inquéritos sitúan o 'Capitão' 18 puntos por riba de Fernando Haddad; o poder financeiro respondeu ás boas expectativas do ultradereitista con subas na bolsa Queda evidenciado que as alianzas políticas do PT non están sendo suficientes para cadrar as contas. Castigado polos casos de corrupción, só Guilherme Boulos do PSOL cun 0,58% dos votos, ofreceu un apoio incondicional ao Partido dos Trabalhadores en defensa da democracia. O ex-petista, Ciro Gomes (PDT) cun 12,47% dos votos tardou dous días materializar o o respaldo explícito, e para iso declarou o seu apoio crítico, condicionado polo clima de excepcionalidade. A gran sorpresa chegou da man da tamén ex-petista Marina Silva (Rede) que obtivo o 1% dos votos e que só se limitou a recomendarlle aos afiliados non dar votos para Bolsonaro. Pola súa parte, o candidato de centro dereita, Geraldo Alckmin (PSDB), deu liberdade á súa afiliación para votar no candidato que consideraran oportuno sen tomar posición por ningún. Bolsonaro, pola súa parte, non conta co apoio explícito de ningún partido a nivel nacional pero si é secundado por numerosos líderes rexionais e locais que viron nel a posibilidade de beneficiarse electoralmente. Este é o caso de João Doria, candidato do PSDB ao goberno de São Paulo, que o mesmo día das elección e sen ter consultado ao partido, xa lle dera o seu apoio. Non obstante, o Capitão conta co apoio de numerosos grupos de interese como o lobby do agronegocio, ou coa case totalidade da Igrexa Evanxélica, amplamente estendida pola xeografía brasileira. Vaga de Violencia Mensaxes contra Bolsonaro durante un concerto en São Paulo / PT O aumento da violencia no país foi inmediato tras coñecerse os resultados favorables ao candidato Jair Bolsonaro na primeira volta. A retórica incendiaria do Capitão tomou as rúas nas mans do seus seguidores. Esa mesma noite era asasinado con 12 coiteladas o mestre de capoeira Moa do Katendê por un seguidor do candidato do PSL tras unha discusión política en Salvador de Bahia. Tamén a servidora pública de Recife, Paula Pinheiro Ramos Pessoa, de 37 anos, denunciaba ter sido agredida nun bar por levar adhesivos de Ciro Gomes causándolle hematomas nos ollos e un corte no brazo. Tres días despois, unha moza de Porto Alegre foi abordada e agredida por tres seguidores do ex-militar por levar unha camiseta do #EleNão. Os homes golpeárona e graváronlle unha esvástica con navalla na barriga. Persoas negras e homosexuais, mulleres feministas ou pobres son os colectivos que están principalmente no albo das agresións de partidarios de Bolsonaro Despois de nove días dende a primeira volta, contabilízanse por centos as agresións que están sufrindo as minorías no país. A páxina #VítimasDaIntolerância, con escasos oito días de vida, recolle decenas de agresións que retratan a onda de violencia política por parte dos seguidores do militar, fundamentada no discurso de odio que espallou durante a campaña, e que agora se está materializando. A persoas negras, as persoas homosexuais, as mulleres feministas ou os pobres son os colectivos que están principalmente no punto de mira dos agresores. Ante a vaga de violencia, Jair Bolsonaro declarou na súa páxina de Facebook que dispensa "o voto e qualquer aproximação de quem pratica violência contra eleitores" e engadiu que "a este tipo de gente peço que vote nulo ou na oposição por coerência, e que as autoridades tomem as medidas cabíveis, assim como contra caluniadores que tentam nos prejudicar". No entanto, horas despois afirmaba nunhas declaracións que "quem levou a facada fui eu, pô. O cara lá tem uma camisa minha e comete um excesso. O que eu tenho a ver com isso?" e completou "eu lamento, peço que ao pessoal que não pratique isso, mas eu não tenho controle sobre milhões e mil". |
PRAZA_619 | O sindicato maioritario na radio e televisión públicas toma esta decisión despois de que o 12 de marzo a maioría do persoal aprobase en referendo o convenio colectivo asinado por CIG, USO, UGT e CC.OO. e que para a CUT supón "o maior retroceso en dereitos en 30 anos" | O pasado 12 de marzo a maioría dos traballadores e traballadoras da CRTVG aprobou en referendo a proposta de convenio colectivo asinado por CIG, USO, UGT e CC.OO., e rexeitado pola CUT, sindicato maioritario no ente. O referendo tivo unha participación moi alta (das 927 persoas con dereito a voto fixérono 750, oito de cada dez) e o si ao convenio impúxose cun 53,3% dos votos. A Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras anuncia que "acepta democraticamente" o resultado da consulta, polo que adopta a decisión de presentar a súa dimisión tanto da presidencia e secretaría do Comité Interempresas como deses mesmos cargos que ocupa no Comité da TVG. De igual xeito, vén de iniciar o proceso para a convocatoria de novas eleccións sindicais. A CUT entende que "en coherencia cos resultados non debe seguir asumindo ningunha representación formal nos órganos de representación colectiva ata a celebración de novas eleccións sindicais". A CUT vén de iniciar o proceso para a convocatoria de novas eleccións sindicais Para o sindicato, as condicións pactadas no novo convenio colectivo "representan o maior retroceso dos dereitos do persoal en 30 anos". A CUT considera "inasumible" o acordo, asinado despois de dous anos e tres meses de negociación colectiva, xa que "non garante a estabilidade no emprego e, polo tanto, tampouco o futuro do servizo público esencial de radio e televisión encomendado á CRTVG", sinala. Critica, por exemplo, que o convenio relegue a unha negociación posterior "cuestións tan relevantes como a nova clasificación profesional -que obriga a implantar o artigo 22 do Estatuto dos Traballadores- ou a identificación polo miúdo da estrutura laboral precisa para operar con garantías en todos os centros de traballo". A CUT tamén advirte de que no acordo faltan "compromisos concretos" sobre o futuro do persoal indefinido das distintas delegacións que "impedirían cesar a custe cero o persoal indefinido através dos concursos de traslados ou calquera outro procedemento de provisión de vacantes". As centrais que asinaron o convenio defenden que co acordo se evita que a CRTVG aproveite a reforma laboral para aplicar directamente o convenio de ámbito superior, máis restritivo e negativo para os e as traballadoras que o negociado As centrais que asinaron e apoian o convenio defenden que co acordo se evita que a CRTVG aproveite a reforma laboral para aplicar directamente o convenio de ámbito superior, o convenio estatal de producións audiovisuais, máis restritivo e negativo para os e as traballadoras que o negociado. No convenio aprobado prevese unha redución do 5% de todos os complementos salariais, redúcense as vacacións de 23 a 22 días e desaparecen as axudas para comedor, o servizo de autobús e a axuda por estudos. Tamén se reducen os permisos por enfermidad dun familiar, pasando de 5 a 3 días; pola contra, increméntanse os permisos para o coidado de fillos e fillas. Nas eleccións celebradas en 2011 a CUT obtivo 6 delegados na TVG, por diante de CIG (3), USO (3), UGT (2), CC.OO. (2) e do Sindicato de Xornalistas de Galicia (1) O sindicato saúda a alta participación rexistrada na consulta, que demostra ao seu xuízo "o compromiso e a implicación dos empregados e empregadas públicos coas relacións laborais e co futuro dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia". E di esperar que as eleccións, que se celebrarán en todos os centros de traballo e empresas da CRTVG, sirvan para "despexar" o que, ao seu xuízo, é "unha quebra de confianza nos sindicatos asinantes do acordo previo dun lesivo convenio colectivo por unha parte moi importante do cadro de persoal". Nas eleccións celebradas en 2011 a CUT obtivo 6 delegados na TVG, por diante de CIG (3), USO (3), UGT (2), CC.OO. (2) e do Sindicato de Xornalistas de Galicia (1). O sindicato fíxose con 178 dos 692 votos totais emitidos en todas as empresas do ente, por riba dos 128 da CIG e os 107 da USO. |
NOS_45891 | Aira Editorial publica a nova obra de Jorge Campos e César Cequeliños | "O pasado do país como nunca cho contaron", así definen desde a Editorial Aira a obra Historia da Galicia pequeniña, de Jorge Campos e César Cequeliños, en que, a través de mapas, obxectos, acontecementos e personaxes, as lectoras e lectores poden aprender sobre a historia da Galiza dunha maneira didáctica. Os autores abordan todo o pasado do país até a actualidade, desde antes dos seres humanos até os últimos xogos olímpicos pasando polo Reino da Galiza. As ilustracións desempeñan un papel fundamental na obra, algo que axuda na lectura do libro facéndoa "máis amena e agradábel" para a rapazada. En conversa con Nós Diario, Jorge Campos -quen se encargou das ilustracións da obra- aborda o proceso de elaboración de A historia da Galicia Pequeniña. "Fomos facendo o libro entre César Cequeliños e eu. César encargouse máis da parte de investigación e íame enviando un guión que eu ía seguindo para realizar as ilustracións", sinala. "Foron varios meses de traballo moi laborioso, no fondo todas as ilustracións teñen por detrás un proceso de selección de información e tamén a nivel gráfico hai moito traballo detrás do proxecto". Poesía, banda deseñada e clásicos, nas novidades editoriais de Aira A obra ten uns obxectivos que foron os que guiaron o proceso de creación. A este respecto, Campos manifesta que "queriamos manter unha liña de libro informativo pensado, sobre todo, para nenas e nenos, con información bastante dosificada para que despois sexan as propias crianzas as que investiguen pola súa conta", polo que o libro pode utilizarse como "un complemento para o profesorado que axuda a que as rapazas e rapaces busquen pola súa conta a partir de pequenas doses de cada parte da historia do país". A continuación do 'Atlas da Galicia pequeniña' Tamén en declaracións a Nós Diario, o outro autor da obra, César Cequeliños, relata que "esta é unha continuación do Atlas da Galicia pequeniña, polo que moitos dos procesos e filosofías de elaboración collémolas dese libro", algo que explica que se trate dunha obra moi visual que "é como un convite a que se afonde máis en profundidade nos conceptos que máis interesen ás lectoras e lectores". "Digamos que A historia da Galicia pequeniña é como un portal de entrada ao mundo infinito que hoxe está na rede", salienta Cequeliños. Algo en que tanto Cequeliños como Campos fixeron moito fincapé é en que no libro houbese un equilibrio entre todas as épocas, algo que Cequeliños explica dicindo que "cando se fala do país, ás veces hai etapas que parece que teñen máis interese por certos acontecementos. Nós tentamos rachar con iso, elaboramos a obra coa idea de que tivesen o mesmo peso a prehistoria que a idade moderna e que a idade contemporánea, por exemplo". A editorial Aira estréase con poesía, banda deseñada e tradución Outra das intencións que desde a editora Aira tiñan en mente ao elaborar o libro era "tentar facelo o máis paritario posíbel", segundo Cequeliños. Isto foi un labor moi difícil por causa de que "non contabamos con testemuños e fontes de tantas mulleres como nos gustaría". Con todo, grazas á investigación, "rescatamos nomes de mulleres moi interesantes que case ninguén coñecía". Animais míticos do Camiño verán a luz da man de Aira En Aira Editorial "estamos a traballar moito para poder publicar múltiples obras no futuro próximo", sinala a Nós Diario o xornalista e director da editora, César Lorenzo. "Imos publicar un libro da autoría de Jorge Campos e mais de César Cequeliños que se titula Animais míticos do Camiño de Santiago e no cal poderán verse estampas de animais mitolóxicos como a hidra ou a serea, que están moi presentes no Camiño de Santiago", informa Lorenzo. Outros libros que desde Aira Editorial tamén teñen a previsión de publicar son dúas obras de ficción: un conxunto de relatos de Ramón Caride baixo o título Nada do outro mundo e un libro que ten tres relatos curtos mais que entre os tres conforman unha especie de novela que se titula Agora que cala a noite, da autoría de Elba Pedrosa. |
NOS_57143 | A multinacional danesa amplía até esta segunda feira o prazo de consultas, pero traballadores e administracións piden que sexa até final de ano para atopar un comprador. | A multinacional danesa Vestas decidiu prorrogar até esta segunda feira, 8 de novembro, o período de consultas do ERE que afecta á fábrica de Chavín, en Viveiro, cuxo prazo de negociación remataba onte. Así se acordou nunha nova reunión en Compostela da mesa industrial, na que o presidente do comité de empresa de Vestas, David Mariño, indicou que a compañía "fixou unilateralmente" que esa prórroga sexa só até o día 8, pero traballadores e Administración coinciden en demandar que se amplíe até fin de ano para que haxa tempo a buscar posíbeis investidores. Neste senso, destaca que "hai unha postura clara de todos os representantes desta mesa industrial", pois os traballadores e trablladoras de Vestas está "apoiado" pola Xunta e o Goberno estatal na petición. Agora, comité e empresa emprázanse a unha nova reunión que terá lugar en Viveiro (esta segunda feira ás 16 horas), onde a representación sindical insistirá na necesidade desa ampliación. Segundo apunta Mariño, a empresa "pode manter a actividade laboral para todo o persoal até final de decembro", polo que "non debería ter ningún problema" en ampliar a negociación. Aínda que os representantes de Vestas "non deixaron clara a postura", confían en que "igual poden pensalo". Novo investidor Doutra banda, a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, informou da existencia dun novo investidor interesado na planta, de forma que xa son nove as entidades interesadas na compra, aínda que non pode dar "máis datos" ao ser "moi incipiente". Xunto a isto, Lorenzana sinala que "o transcendental" é que "necesitan os traballadores máis tempo para poder decidir en condicións sobre o despedimento colectivo", dado que "agora mesmo non se sabe aínda o futuro da compañía". Cre "imprescindíbel" que haxa acordo entre compañía e traballadores para unha ampliación "mínima" até final de 2021. "Se a empresa ten unha intención de colaborar no proceso de transición, de venda a outro competidor, ademais de dicilo, tería que actuar en consecuencia", afirma Lorenzana, que deixa claro que esa ampliación "nada supón" para a compañía e "sería moi importante" para que os traballadores poidan decidir. |
NOS_19374 | O independentista, veciño de Ferrol, foi detido o 29 de outubro á noite na súa casa canda Silvia Casal e Martiño, fillo de amb@s e que naquela altura tiña oito meses. | A Sala do Penal da Audiencia Nacional española ditou auto de sobresemento da causa aberta en febreiro de 2013 contra Júlio Saiáns, veciño de Ferrol que fora detido en outubro de 2012 en calidade de "tesoureiro e máximo responsábel" do que o Ministerio de Interior denominou "aparello de financiamento" da organización armada Resistencia Galega. Por tanto, Saiáns non será xulgado. Segundo recolle o documento xudicial ao cal tivo acceso Sermos Galiza, a fiscalía da AN adheriuse ao argumentario do avogado da defensa, Manuel Chao, ao non atopar "causa debidamente xustificada" para o acusar de ningún dos delitos por cuxos indicios ía ser procesado: integración en organización terrorista ou colaboración con organización terrorista. As dúas posibilidades --integración ou colaboración-- ficaron abertas desde o 6 de febreiro, cando o xuíz Eloy Velasco ditou auto de procesamento. A fiscalía da AN recoñece que non hai proba suficiente Porén, segundo informou a defensa en conversa con este xornal, a carta manuscrita de cuxa autoría se responsabiliza a Saiáns "foille atribuída sen comprobación caligráfica e interpretada no sentido de que nela se dá conta dun financiamento irregular" que non foi probado. Após o recurso presentado contra o auto de procesamento, a fiscalía da AN admitiu que non había probas para continuar coa causa e solicitou a conclusión do sumario e o arquivo da causa. Detido a noite do 29 de outubro na vivenda que partillaba coa súa compañeira, Silvia Casal, e a súa crianza de oito meses --tamén submetid@s á lexislación antiterrorista-- Julio Saiáns quedou en liberdade o 11 de decembro. Cumpriu un mes e unha semana de prisión preventiva, dispersado ao centro penitenciario de Soto del Real. O xuíz impuxo unha fianza de 6.000 euros como condición para a posta en liberdade provisoria namentres o nome de Silvia Casal, a quen Interior vinculou tamén co aparello de financiamento de Resistencia Galega, nen sequera apereceu no sumario. Ten dereito a ser indemnizado polo tempo en prisión? Transcorridos seis meses desde que lle foi comunicado o auto de sobresemento --o tempo que tarda en se facer definitivo e non recurríbel-- Saiáns ten dereito a reclamar ao Estado unha indemnización polos danos ocasionados. Porén, o certo é que a xurisprudencia é abundante na liña de que tal responsabilidade non se asume ao alegar que, dunha banda, que a detención se produciu cando existían indicios suficientes na súa contra e que a prisión preventiva se ditaminou con todas as garantías procesuais. Da outra, acrecentan diferentes sentenzas xudiciais que o arquivo da causa non recoñece a inocencia do encausado, senón a falta de proba que demostre a súa responsabilidade nos feitos que se lle atribúen. O que si recuperará Júlio Saiáns é a fianza de 6.000 euros que a súa familia e achegad@s afrontaron para que puidera acceder á liberdade provisoria. Mais non será tampouco até dentro de seis meses, cando a causa contra el fique definitivamente pechada. |
PRAZA_15789 | A Rede de Economía Alternativa e Solidaria REAS Galicia celebra este sábado en Ordes o primeiro encontro dun sector en crecemento, ligado polo respecto das iniciativas ao medio ambiente e aos dereitos sociais. Falamos coa súa vicepresidenta, Raquel Doallo | A Praza de Abastos de Ordes acolle este sábado o I Encontro de Economía Alternativa e Solidaria, organizado pola Rede de Economía Alternativa e Solidaria REAS Galicia. Baixo o lema "Intercooperar!", o evento busca darlles visibilidade e coñecer directamente ás persoas que forman parte do sector, creando ou revitalizando espazos de intercooperación. A xuntanza, que se desenvolverá de 11 a 18 horas, componse de mesas informativas, microrelatorios das participantes inscritas ou unha mesa de traballo destinada á creación dun mercado social. Participarán máis de 20 entidades e empresas. Busca impulsar e apoiar unha rede de empresas solidarias que fomenten o respecto ás persoas e ao medio ambiente REAS-Galicia forma parte da rede de redes de economía alternativa e solidaria REAS, entidade sen ánimo de lucro de ámbito estatal formada por máis de 500 entidades, creada en 1995 en defensa de que "outra economía é posible". Busca impulsar e apoiar unha rede de empresas solidarias que fomenten o respecto ás persoas e ao medio ambiente en todos os ámbitos (produción, comercialización, construción, servizos...). Apoia, así mesmo, o desenvolvemento de recursos financeiros éticos e solidarios. E pretende difundir e dar a coñecer a economía solidaria na sociedade galega e aumentar o tecido empresarial con características éticas e solidarias. A economía solidaria parte dunha Carta de Principios na que, ademais, se destaca a non-lucratividade destas empresas, que priorizan os beneficios humanos, sociais e medioambientais, reinvestindo e redistribuíndo as posibles ganancias. Raquel Doallo, vicepresidenta de REAS-Galicia, destaca a importancia de que exista "un punto de encontro para as entidades de economía solidaria en Galicia". "REAS-Galicia pode ser ese espazo, porque nos permite ao mesmo tempo traballar conxuntamente coas redes e entidades do resto do Estado", engade, salientando a importancia do encontro deste sábado, que pode servir para incrementar o coñecemento recíproco entre entidades e iniciativas que comparten unha mesma filosofía, obxectivos e métodos de traballo. "En Galicia a plataforma é aínda pequena (8-10 entidades activas), en comparación con outras comunidades, como Euskadi ou Navarra. Aínda así detectamos un grande interese no sector" Outro dos obxectivos do encontro que se desenvolverá o sábado en Ordes é o traballo ao redor do fortalecemento dun mercado social en Galicia. Trataríase, explica Raquel Doallo, "dun mercado alternativo, no que se inclúen entidades de finanzas éticas, cooperativas de consumo, iniciativas de agroecoloxía, entidades de servizos e outro tipo de empresas e colectivos, e con elementos coma o uso dunha moeda social". "O mercado é unha boa forma de emprestarnos servizos os uns aos outros dentro da rede, e tamén de visibilizarnos cara á cidadanía", di. "En Galicia a plataforma é aínda pequena (8-10 entidades activas), en comparación con outras comunidades, como Euskadi ou Navarra, onde as redes agrupan a moitas máis entidades. Aínda así detectamos un grande interese no sector en Galicia, enténdese a necesidade de facer forza como colectivo", explica. En efecto, a importancia da economía solidarias en Euskadi, Navarra, e noutras comunidades como Aragón, Madrid ou Cataluña é aínda moi superior á de Galicia. REAS agrupa en toda España a 507 entidades, que en 2014 sumaron uns ingresos de 355 millóns de euros, empregando a máis de oito mil persoas En total, REAS agrupa en toda España a 507 entidades, que en 2014 sumaron uns ingresos de 355 millóns de euros, empregando a máis de oito mil persoas, ademais de contar con outras 30 mil voluntarias e voluntarios. O pasado mes de novembro Zaragoza acolleu o I Congreso Estatal de Economía Social e Solidaria, que desenvolveu distintos eixos de traballo, entre os que destacaron a innovación cidadá en consumo, as finanzas éticas, a xeración e transferencia de coñecemento na Economía Social, as achegas desde o feminismo e outras economías ou o papel da economía solidaria no medio rural. Informe sobre a economía solidaria en España (.pdf) |
NOS_55367 | Até 23 estudantes son beneficiari@s da axuda galega e doutra estatal, a FPU, con condicións mellores. Porén, non están obrigad@s a renunciar á primeira antes de aceptaren a segunda, polo que a listaxe de agarda non se movería e as 23 novas candidat@s quedarían sen bolsa. O prazo remata o 22 de marzo | Un terzo das 75 bolsas predoutorais da Xunta poderían ficar sen asignar se a consellaría de Educación non atende as reivindicacións do estudantado que figura nas listaxes de agarda. Denunciouno esta terza o deputado de AGE David Fernández após falar con afectad@s, quen explicaron que a situación deriva da concorrencia simultánea ás bolsas galegas e ás FPU (Formación do profesorado universitario) que dependenden do ministerio de Educación. Así as cousas, son até 23 @s estudantes que, tendo concedida a axuda da Xunta, recibiron a notificación de que o departamento que dirixe José Ignacio Wert tamén @s admitía. Con todo, a notificación chegou con varios meses de demora. Perante as mellores condicións que ofrece a bolsa estatal, con catro anos de duración fronte aos tres da galega, @s beneficiari@s adoitan preferila, o cal faría mover a listaxe de agarda.Fernández: "A burocracia non debe impedir o desenvolvemento da investigación" Mais os prazos de convocatoria e renuncia crean unha situación en que esas 23 poderían ficar sen se adxudicar, pois o prazo de renuncia á bolsa galega remata antes daqueloutro obrigatorio para aceptar ou rexeitar a bolsa estatal. O tempo acaba o 22 de marzo e AGE exixe que se amplíe posto que, ao estaren financiadas con cartos do Fondo social europeo, de non seren entregados habería que os devolver. David Fernández, compareceu acompañado de dúas estudantes afectadas polos prazos. As dúas candidatas á bolsa galega relataron como a Secretaría xeral da Universidade lles asegurou que era "imposíbel" mover os prazos de non impugnarse a convocatoria. Do secretario xeral e do conselleiro, Jesús Vázquez, "só recibiron o silenzo por resposta" perante chamadas e correos electrónicos. Fernández fixo un último chamamento apelando a que se modifican ordes "continuamente" e que "a burocracia non debe impedir o desenvolvemento da investigación". |
PRAZA_11342 | Nunha conferencia en novembro de 2014 en Barcelona Feijóo dixera que "historicamente, temos moitos elementos para considerarnos (...) nación sen Estado" e agregara que se negou a que Galicia fose definida como tal na fracasada reforma do Estatuto | D.L.Formacións de extrema dereita, así como colectivos contrarios ás medidas de normalización da lingua galega que noutrora apoiaran o PP galego fronte ao Goberno de coalición de PSdeG, atacan periodicamente a Alberto Núñez Feijóo cualificándoo de "nacionalista galego". Utilizan como presuntas probas desa acusación intervencións do presidente da Xunta pronunciadas en galego ou mensaxes da Xunta por datas sinaladas como o Día das Letras. Tamén adoitan botar man dunha intervención de Feijóo nunha conferencia pronunciada en novembro de 2014 en Barcelona na que foi cuestionado polo carácter nacional de Galicia. Estas organizacións fan rexurdir nas redes sociais de cando en vez uns poucos segundos daquela conferencia, encadrada nun ciclo do Cercle d'Economía e moderada polo catedrático galego Antón Costas, que presidiu esa institución. Volvérono facer en plena campaña das eleccións xerais do 10N e o PPdeG esforzouse en facer ver que, en realidade, Feijóo non considera que Galicia sexa unha nación.Naquela conferencia de novembro de 2014 Feijóo di que "historicamente, temos moitos elementos para considerarnos (...) nación sen Estado" e agrega que se negou a que Galicia fose definida como tal na fracasada reforma do EstatutoNaquela intervención pública o titular da Xunta reflexionara a respecto de que "se vostede colle a historia de Galicia e a historia de Cataluña, con todos os exempos e matices que se poden poñer", ao seu xuízo "historicamente, temos moitos elementos para considerarnos o que na terminoloxía se di nación sen Estado". Este é o punto no que adoita concluír a gravación cando é utilizada polas devanditas organizacións de extrema dereita.Non obstante, a intervención continúa. "Eu fun convocado ás xuntanzas para a reforma do Estatuto de Galicia e a formulación era dicir que Galicia era unha nación", evoca Feijóo a respecto do encontro con Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana o 17 de xaneiro de 2007 na residencia oficial de Monte Pío, onde a proposta de incluír no preámbulo o carácter nacional galego foi unha das razóns esgrimidas polos populares para rachar a negociación. "Eu puiden dicir que si, pero preferín seguir na oposición", afirma, "porque non lle ía achegar nada a Galicia, nin sequera ao Estado".O PPdeG enfatiza que nesa intervención Feijóo non afirmaba que Galicia fose unha nación, senón "exactamente o contrario"No que semella ser unha resposta a un mitin de Vox ao que acudiu un centenar de persoas en Ourense este luns, as redes sociais do PPdeG divulgaron este vídeo este 4 de novembro. Ese partido, di o PPdeG, "fai circular" o vídeo "manipulado" para "acusar" a Feijóo "do que non é". Segundo os populares, o seu líder "di exactamente o contrario" a que Galicia sexa unha nación e naquel proceso de reforma do Estatuto "negouse" a que fose definida como tal. "Leccións de combater ao nacionalismo non lles aceptamos nin unha", proclaman. |
NOS_7638 | O coodenador xeral de Izquierda Unida participou nun mitin en Vigo para dar soporte á Alternativa Galega de Esquerda. Yolanda Díaz denunciou que "Feijóo destruíu 153.000 postos de traballo durante o seu mandato". Este sábado noutro mitin de AGE, no concello de Teo, Beiras advertiu ao PP de que "non se pode traizoar o pobo sen consecuencias". | Poucos días despois da visita de Llamazares a Galiza, para a presentación do programa en materia de saúde de AGE, desta volta foi o coordinador xeral de Izquierda Unida, Cayo Lara, o que aterrou no noso país para dar soporte á candidatura da Alternativa Galega de Esquerda. Lara participou nun mitin en Vigo canda Yolanda Díaz e Juan Fajardo, cabeza de lista por Pontevedra. O líder estatal de IU centrouse en defender a necesidade de "combater a fraude fiscal", medida que segundo el sería suficiente para evitar un segundo rescate. Lara explicou que a fraude fiscal no estado atinxe máis de 90.000 millóns de euros e que malia a dimensión da cifra esta sería responsabilidade das principais empresas que representan apenas o 3% do tecido produtivo estatal. "Feijóo destruíu 153.000 empregos" dixo Yolanda Díaz Tras denunciar o incumprimento do programa electoral con que o PP accedeu ao goberno, o que na súa opinión constitúe unha "estafa á sociedade", defendeu a necesidade dunha "esquerda honesta" fronte ás duras medidas de recorte que virían da man do rescate. Neste sentido, Lara chamou o electorado galego a "loitar polos seus dereitos" o vindeiro 21-O e a "non se deixar enganar" pola propaganda do PP. "Feijóo é o presidente do engano" afirmou pola súa banda Yolanda Díaz. A candidata de AGE por A Coruña, denunciou as consecuencias sociais das políticas desenvolvidas polo PP nestes tres anos e medio botando man dunha cifra: "Feijóo destruíu 153.000 empregos". Díaz tamén fixo referencia á situación do sector naval lamentando que Feijóo "sexa incapaz de acadar carga de traballo" mentres no resto de Europa seguen a construír barcos malia a crise. Asemade cargou contra a dependencia do candidato popular do seu xefe de filas en Madrid cualificando a Feijóo de "mando a distancia de Rajoy". Pola súa banda Juan Fajardo manifestou que "o Partido Popular vive fóra da realidade porque descoñece o sufrimento da cidadanía". Neste sentido, fixo un chamado a tentar mobilizar as e os abstencionistas para se rebelaren contra un PP "que non sabe o que supón a suba do IVE nunha barra de pan". "A cidadanía precisa ver a Méndez no banco dos acusados" Este sábado desde Teo nun dos principais actos da campaña, co alcalde Martiño Noriega como anfitrión denunciando que "a soberanía está en risco de extinción", en Alternativa Galega de Esquerda afirmaron que a cidadanía quere un "goberno que non viaxe en jet con multimillonarios e quere ver a Méndez no banco dos acusados", reclamando deste xeito que se depuren as responsabilidades dun dos máximos dirixentes das caixas galegas, hoxe bancarizadas. Durante o acto Xosé Manuel Beiras chamou á "unión da maioría social na diversidade" para frear o Partido Popular. O cabeza de lista por A Coruña asegurou que "non se pode traizoar o pobo sen que haxa consecuencias", exemplificando coa protesta de afectad@s polas preferentes ás portas do mitin do PP en Pontevedra. "Hoxe o Partido Popular soamente pode facer actos de campaña con seguridade e a porta pechada. O pobo non é imbecil." sentenciou. |
NOS_47952 | A plataforma sitúa a independencia como "única solución aos problemas crónicos" de Galiza, parabeniza o nacemento de GpS e denuncia a vaga represiva contra o independentismo | Causa Galiza sairá, máis un ano, este 25 de xullo en manifestación do Día da Pátria, unha mobilización que, sinala a plataforma pola autodeterminación, aposta por repotenciar "a reivindicación da independencia nacional no contexto de crise múltipla do Estado español e movemento dos tradicionais marcos políticos e ideolóxicos no campo nacionalista". CG entende que o conxunto do nacionalismo entende "liquidada a imaxinaria vía estatutária", polo que cómpre pular pola "a vía da ruptura co Estado español, a via independentista, única solución aos problemas crónicos" de Galiza. A plataforma parabeniza a iniciativa Galiza pola Soberanía como ferramenta acaída para facer aumentar a "conciencia nacional galega e a socialización da necesidade da soberanía". Porén, lamentou que non for posíbel un Día da Patria unitario. Alerta contra a represión E desde CG tamén se quere denunciar neste 25X " "a vaga represiva de brutais dimensións que prepara a Audiencia Nacional, o Ministerio de Interior e os corpos represivos do Estado contra o independentismo" |
NOS_21995 | Desafiando a choiva e o vento, por volta de 300 emigrantes retornad@s e preferentistas concentráronse fronte o Parlamento galego para, sinalan, protestar e denunciar "o saqueo dos nosos aforros e pensións". | "Son ghrandes, eh?". Así, con gheada das Rías Baixas falaba unha emigrante retornada, da plataforma do Ulla-Umia, mirando para os antidisturbios. A muller era unha máis das por volta de 300 persoas que se concentraban ante o Parlamento de Galiza coincidindo co debate do estado da nación. Unha ringleira de axentes da Policía Nacional 'protexía' os accesos á Cámara do Hórreo. @s concentrados procedían de diversas comarcas do país e a reivindicación deixárona clara en faixas, follas voandeiras e berros entre bocinazos: "Non somos defraudadores". "Están a obrigarnos a pagar unha media de 10.000 euros nun prazo de 10 días", denunciaban desde Coordenadora "Traballamos duro fóra, na emigración. Cobramos unha pensión pola que nunca nos dixeron que había que pagar. E agora dinnos que temos que pagar todo á xunta desde 2008 e, por riba, multas en sancións. Miles de euros que non temos. E din que somos defraudadores! Eles, dos do PP!! Iso sí que é ter cara e non ter vergoña". Así de rotundo se manifestaba era José, da plataforma do Morrazo. "Emigrantes retornados, pensionistas estafados", rezaba unha das faixas, resumindo o sentir dos afectados polo que non dubidan en cualificar de "estafa" ou mesmo "extorsión". E non dubidan quen é o responsábel desta situación: "É o PP, el dou orde a Facenda de cobrar e multar". Doble vara A pouco que se falase con algún dos concentrados, axiña saía o argumento da dupla vara de medir do goberno Rajoy: "Os que verdade defraudan, os millonarios, os banqueiros,..a eses nada. E a nós, leña". A concentración estaba convocada pola Coordinadora Nacional de Emigrantes Retornados, plataforma que resume as súas peticións en pedir a revogación e anulación dos expedientes sancionadores (e a devolución dos cartos a quen xa tivo que pagar), rexeitar o "cobro abusivo" de intereses de demora por parte de Facenda. |
NOS_54866 | Unha maré volveu percorrer a capital galega, da Alameda ao corazón da zona vella, convocada polo BNG. Máis unha vez, a defensa da soberanía do pobo galego foi a cerna dunha mobilización que reivindicou o vello verso de Celso Emilio Ferreiro: "Común temos a Patria". | Miles de persoas reivindicaron este domingo en Compostela unha "Galiza sen límites", convocados polo BNG. A organización nacionalista convocara a se mobilizar na capital galega este Día da Patria Galega para defender o dereito a decidir do pobo galego e a resposta foi clara: unha maré de xente procedente de toda as as comarcas galegas, acudiu a Compostela. "Creo que había anos que non vía tanta xente", confesaba Carme, de Vigo, que axiña engadía que "e levo vindo desde os 80, eh?". A precaución ante a Covid e a a anulación de Festigal e xantares e actos post-manifestación na Carballeira de Santa Susana semellan que non desanimaron á hora de acudira Compostela neste Día da Patria Galega. As estritas medidas contra o coronavirus fixadas polo BNG para esta mobilización levaron a que, ademais da tradicional da Quintana, se habilitase tamén a Praza de Praterías para o remate da mobilización. Tamén ficou pequena e houbo xente que non puido entrar nin nunha nin noutra. Problema? Ningún. Os que non puideron entrar pola limitación de capacidade ficaron na Rúa Nova: gaitas, bandeiras e cánticos para seguir a sumar festa e reivindicación. As estritas medidas contra o coronavirus fixadas polo BNG para esta mobilización levaron a que, ademais da tradicional da Quintana, se habilitase tamén a Praza de Praterías "Non era para vir...pero vimos". Iria e Miguel, de Ourense, recoñecen que até hai uns días non estaban moi convencidos de acudir á manifestación. Mais finalmente, "sabiamos que de non estar aquí iámonos arrepentir", e acudiron. "España, España" A piques de arrancar a mobilización do BNG da Alameda, os avións do exército español pasaron por riba das miles de persoas que estaban á espera dese inicio da marcha, pintando no ar as cores da bandeira española. Apupos, asubíos, algún que outro insulto cara ao ceo e tamén, algo de humor rebuscado: "Pois para ser militares bespañois, as 'raias' non lles saíron moi rectas", apuntaba un mozo con camisola do Athletic. Os avións volveron repetir xogada pouco despois, cando a cabeceira da manifestación xa estaba a piques de entrar na zona vella. Nova pasada sobre a manifestación e de novo, as cores da bandeira de España no ceo. Independencia", "Que queiran que non, Galiza é unha nación" ou o cántico de "Galegas somos, galegas, seremos, por españolas nunca pasaremos" foi a resposta das manifestantes a esa 'pasada' dos avións. Algúns peregrinos desfilaban paralelos á manifestación,i zando bandeiras españolas e con comentarios de "esto es España", sen que colleitaran máis que indiferenza. Mais non foi a única presenza española nas mobilizacións do 25-X, ademais da nutrida presenza de policías con equipamento antidisturbios. Unha muller meteuse no medio da manifestación á altura da Senra lucindo unha bandeira española e en actitude provocadora, sendo apartada con amabilidade polo servizo de orde. Posteriormente, e en Praterías, algúns peregrinos desfilaban izando bandeiras españolas e con comentarios de "esto es España", sen que colleitaran máis que indiferenza. "Sumar sempre" En declaracións antes do inicio da manifestación, a portavoz nacional Ana Pontón afirmaba que o Bloque tiña "as portas abertas" a todos e todas as que quixesen sumar e traballar por Galiza. Apelou á "intelixencia" e "ilusión" para tecer unha alternativa a un PPdeG que, sinalou, está lonxe de defender os intereses de Galiza. Na mobilización tomou parte unha nutrida representación de delegacións internacionais, desde vascos e cataláns até bretóns ou cubanos. Os maiores aplausos recibiunos un Oriol Junqueras emocionado na Quintana ante as centos e centos de persoas que o recibiron a berros de "independencia". O secretario xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, tomou a palabra mentres A Quintana ía aos poucos enchéndose, coa capacidade limitada polas restricións ante a Covid. "A mocidade non é o futuro, é o presente. As mozas galegas non nos resignamos, sabemos o que precisamos para sairmos da precariedade: a soberanía". Tomou tamén a palabra Olalla Rodil, deputada e vice portavoz parlamentar do BNG. Rodil trouxo até A Quintana as loitas "dos homes e mulleres" da clase traballadora galega e que fan parte desa reivindicación de que "Galiza é unha nación" que se concreta os Días da Patria Galega. "Alternativa sólida" "Unha alternativa sólida e solvente, unha alternativa de fiar, a alternativa do BNG que está en disposición de liderar o país". Así se presentou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, quen chamou a "non se pór límites" e alcanzar a Xunta para facer de Galiza un "país grande" cunha formación "aberta e plural". Non pasou por alto a presenza da casa real española na Galiza, que protagonizou a Ofrenda ao Apóstolo no interior da Catedral compostelá mentres muros fóra Pontón proclamou que Galiza "non quere xogar na liga das rexións, senón das nacións", á vez que censurou "a vergoña" dun Estado no que é "delito denunciar a corrupción do Borbón" e non o é facer campañas contra os menores non acompañados. "Saiamos desta praza coa convicción de que depende de todose todas nós. Sabendo que no BNG, cando nos pomos todos a un tempo, non hai quen nos pare", sinalou Pontón "Saiamos desta praza coa convicción de que depende de todose todas nós. Sabendo que no BNG, cando nos pomos todos a un tempo, non hai quen nos pare", sinalou Pontón. "Temos as mans libres, libres fronte o centralismo e libres fronte aos grandes poderes económicos. Un BNG sen límites é o motor dunha Galiza con futuro e sen límites", enfatizou. E nunha cidade anegada un día como este domingo de turistas, sinalou: "Queremos facer de Galiza algo máis que un destino turístico. Queremos producir aquí para todo o mundo. Queremos ser un referente na ciencia e na investigación. Queremos medrar sen renunciar a quen somos". "Galiza ceive, poder popular" O ambiente do 25 de Xullo fíxose evidente en lemas, cánticos, música… nas bandeiras da Patria de grande tamaño que presidían a marcha do BNG, nas apelacións á solidariedade con Cuba, nas faixas de avante a loita feminista, nas pancartas contra a explotación laboral ou polo pulo universal da lingua galega. A pandemia obrigou a unha mobilización diferente, con suspensión de actos polos que moitas nacionalistas agardan todo o ano. Mais o esecencial estivo presente, ao igual que nestes máis de 40 anos: "Galiza ceive, poder popular", berraban Iria e Miguel na Quintana ao remate do himno. "Non hai lema máis bonito nin mellor resumo do que pedimos os que vimos aquí ano tras ano", dicía sorrindo Iria. |
PRAZA_12511 | Adega, SGHN e Verdegaia rexeitan as teorías conspiradoras, insisten na escaseza de medios e censuran a "falta de transparencia" do Goberno galego arredor do parque natural. "Non sabemos nin cantos propietarios hai, nin canta xente vive, nin canta xente traballa no seu coidado; non temos nin unha cartografía detallada da zona", explican. | Adega, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e Verdegaia centran na ausencia de planificación dunha política forestal a causa da traxedia ecolóxica do incendio das Fragas do Eume. A falta dun programa forestal no parque, a redución do caudal do Eume ou a diminución dos medios de prevención e coidado son as claves para os colectivos ecoloxistas, pero expertos destas agrupacións, en especial aqueles que viven preto da zona, achegan máis claves. Entre elas, a "opacidade e falta de transparencia" do Goberno galego á hora de determinar a situación na que se atopa o bosque, a imposibilidade de que o incendio se deba a unha mala xestión por parte dos veciños e a falta de explicación aos motivos que puideron levar a alguén a prender lume. Non cren na conspiración: "Nin se nos ocorre quen foi capaz de facer tal barbaridade". "Pirómanos? É imposible que haxa tanto psicótico en Galicia; intereses madereiros? Pois tería que ser un empresario psicótico. Non teño nin idea, porque quen o fixo, ademais, sabía que poñía en risco vidas humanas, as dos veciños e as dos visitantes", asegura Piedade Viñas, membro de SGHN e veciña da Capela, que aclara tamén que sería de tolos pensar nunha imprudencia dos veciños. "Neste concello non hai incendios desde hai corenta anos; a xente de aquí non fai uso de lume para xestionar as matogueiras, agás nas brañas e de forma hipercontrolada. A xestión sempre foi perfecta e baseada en usos milenarios", resume quen tampouco cre no ruxerruxe que atribúe o lume aos intereses no terreo onde se prevé a construción dunha mina andalucita. E dio quen loitou e segue loitando contra a súa instalación. "Na Capela non hai incendios desde hai 40 anos; os veciños fan unha xestión do monte exemplar" "Iso é mentira porque a zona onde se proxecta a mina, Pico Vello, está intacta; o lume comezou a tres quilómetros, así que creo que o dos intereses mineiros é mentira, hai que dicir a verdade", explica. Mónica Harto, secretaria comarcal de Verdegaia e membro da xunta consultiva do Parque Natural das Fragas, tampouco achega demasiados argumentos a esa teoría. "A maior parte desa zona non está afectada, aínda que nos falta por saber se si se veu afectada un anaco; só arderon as zonas máis baixas dos lados do Pico Vello", insiste, tras advertir que "se houbese algún interese, a Xunta debería poñerlle coto e protexer máis estes espazos". Os ecoloxistas non cren que a intención de construír unha mina na zona teña que ver co lume O que tampouco aceptan é que o lume fose unha casualidade. Nin moito menos. Xabier Bruña, vogal de Medio Rural de Adega, acepta que "as condicións climáticas de seca e vento contribúen a empeorar a situación, pero non existen accidentes casuais". "Os incendios no noso país teñen unha raíz, non son espontáneos", di, tras insistir na "falta de prevención, de xestión integral e de medios para a extinción e o coidado". "Non se debe especular, o que hai que pedir é rigorosidade na investigación porque non a hai; eu non me atrevería a dicir por que se prendeu o lume, pero o perfil do pirómano é minoritario", asegura. "Quen planta lume faino sabendo que fai mal e para reclamar algo, pero non sabemos o que", insiste. "Hai unha intencionalidade clara pero non sabemos que intereses pode haber nin por que se fai iso; non entramos en teorías conspiradoras", engade Mónica Harto. O que si critican é a falta de xestión da Xunta nas Fragas. "É que a xestión da Xunta aquí é cero, non existe; dino os veciños e están no certo", relata Piedade Viñas, que lembra que "a 200 metros da central de Endesa remata a última pista pola que se pode acceder con vehículos ao parque, así que unha vez que se pasa ese punto non hai maneira de entrar por terra para poder apagar o lume". "Hai problemas de infraestruturas, de persoal, de falta de medios, de intereses económicos...", enumera. "O que lle interesa ao Goberno é converter a zona nun produto turístico, con réditos económicos, pero sen contrapartidas na mellora da xestión ou das condicións dos veciños e das Fragas en xeral", manifesta Mónica Harto, que dá conta de varios servizos "subcontratados e privatizados" no bosque atlántico onde "o persoal que o mantén e o coida é estacional e con contratos temporais, principalmente para as épocas de vacacións e o verán". "Á Xunta interésalle é converter na zona nun produto turístico, sen contrapartidas na mellora da xestión do parque" Ademais, Mónica Harto denuncia a "opacidade e falta de información da Xunta". Non é capaz de dicir canta xente traballa nas Fragas, canta xente vive ou cal é o número exacto de propietarios. "Preguntei hai pouco por varios deses temas ao subdirector xeral de parques naturais pero non houbo resposta; négannos información e non nos facilitan nin a cartografía detallada do propio parque", quéixase. Porque todas as entidades ambientalistas critican tamén que a pesar de que o espazo foi declarado Parque Natural en 1997, as Fragas aínda non contan co obrigado Plan Rector de Usos e Xestión nin cun programa forestal, "o que favoreceu que as Fragas do Eume sufran un paulatino proceso de eucaliptización e crecemento de especies alóctonas". Os tres grupos sinalan ao respecto que unha das zonas cualificadas como de Reserva Natural está rodeada por zonas de repoboacións (eucaliptais, piñeirais, etc.), multiplicando o risco de que o lume chegue ás zonas máis sensibles. Para Xabier Bruña, de Adega, falta diálogo cos propietarios e cos habitantes da zona, pero falta tamén "saber que se agocha detrás dos lumes provocados nos parques naturais". "Hai que pedirlle ao Goberno que esclareza canto antes esta cuestión, que investigue rápido e con detalle por que ocorre isto", insiste, ademais de volver reclamar, ao igual que o resto de colectivos ecoloxistas, unha nova política forestal e de dinamización do mundo rural "para evitar o abandono". E sobre todo, unha cousa: "Que unha nova desgraza nos faga aprender dunha vez; témonos que sentar e resolver xa o problema que temos co lume en Galicia". |
NOS_40739 | Ningunha das oito bandas e artistas confirmadas para as actuacións das festas do verán de Vigo son galegas. Ante o anuncio de Abel Caballero deste cartel de estrelas sen rastro de grupos propios, o candidato do BNG á alcaldía de Vigo envioulle unha lista de Spotify de 31 artistas da Galiza "para que saia do seu descoñecemento". | A actuación de Leiva é a última confirmación dos concertos das festas do verán de Vigo que o alcalde Abel Caballero vén de anunciar en plena campaña electoral, e que se suma aos xa confirmados Fangoria, Tom Jones, Jared Leto, Lauryn Hill, Roger Hodgson, Rick Astley e David Bisbal. Ningún rastro de artistas e bandas galegas. Xabier Pérez Igrexas, vén de enviar a Caballero unha lista de reprodución de Spotify con 60 temas de 31 grupos e artistas galegas O candidato do Bloque Nacionalista Galego á alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, vén de enviar a Caballero unha lista de reprodución de Spotify con 60 temas de 31 grupos e artistas galegas e que cantan en lingua galega. Con esta idea, Pérez Igrexas quere chamar a atención sobre "o denominador común que se repite na actividade cultural do concello de Vigo e que radica na clamorosa ausencia da música galega e en galego", denuncia o alcaldábel nacionalista. Confesa que a lista de Spotify lle pareceu a forma máis efectiva de "dar a coñecer ao alcalde a existencia da música en galego" Pérez Igrexas confesa que a lista de Spotify lle pareceu a forma máis efectiva de "dar a coñecer ao alcalde a existencia da música en galego" e apunta a que prefire "pensar que lamentabelmente Caballero obvia as bandas galegas por ignorancia da nosa cultura e creación e non por vontade de excluír a nosa lingua e as creadoras e creadores de Vigo e Galiza". Desde o Bloque reivindican unha oferta musical nas festas que sexa variada en estilos e pensada para diversos públicos . "O problema é cando a oferta é monocor, como neste caso, en que só hai un modelo que está falto de amor propio nunha cidade que é punteira en número de bandas e grupos que con esta programación municipal quedan ausentes". E engade, con ironía, que estas bandas tampouco actuarán coma teloneiras xa que "o único teloneiro nos concertos das festas de Vigo é Abel Caballero", en referencia aos discursos que o alcalde deu ao comezo de cada concerto no pasado verán e máis no entroido. A lista de reprodución de Spotify realizada por Pérez Igrexas inclúe temas de bandas que gosta de escoitar como o rap reivindicativo de Son da Rúa e Ezetaerre ou de bandas como Skándalo GZ, Quempallou, Nao e artistas como Xabier Díaz, Guadi Galego, Sés e Sabela Ramil. Vendo o cartel de concertos para este verán en Vigo, creamos esta 🎶 lista en Spotify, con 60 temazos de 31 grupos e artistas, para que @abelcaballero descubra que a música en GALEGO existe. De nada! https://t.co/pAVTotbCsn #MúsicaConLinguaPropia #AgoraVigo #VigoCunNovoImpulso— Xabier Pérez Igrexas (@contradiscurso) 14 de maio de 2019 Denuncian a "desprogramación" cultural do concello de Vigo Nese sentido, desde o BNG queren ser determinantes no pleno municipal após o 26M para "reverter o desmantelamento da desprogramación cultural do goberno municipal", afirma Igrexas, quen denuncia que Caballero non foi quen na súa maioría absoluta de manter programas de promoción e difusión cultural que eran vangarda na cidade e que, pola contra, desmantelou 18 programas de teatro, de música tradicional e de dinamización nos barrios e parroquias. Caballero non foi quen na súa maioría absoluta de manter programas de promoción e difusión cultural, denuncia Igrexas O desmantelamento do Museo de Arte Contemporánea ou o peche do Centro Fotográfico de Vigo son outras das críticas que o candidato vigués sinalou da xestión de Caballero como prioridades a reverter en materia cultural, pois para o candidato nacionalista "a mellor maneira de humanizar unha cidade é popularizando o acceso á cultura e levándoa aos barrios". |
PRAZA_9653 | Segundo un informe do Movemento Galego da Saúde Mental, Galicia conta cun 62% dos profesionais recomendados pola Comisión Asesora da propia Xunta. Na área santaria da Coruña a dotación de persoal sitúase por debaixo da metade do recomendado | O Servizo Galego de Saúde só conta co 62% dos e das profesionais dedicados á atención á saúde mental que serían recomendables segundo os propios criterios da Xunta. O Movemento Galego da Saúde Mental vén de elaborar un informe, Recursos en Saúde Mental en Galicia, que analiza o estado da rede pública asistencial neste ámbito e que alerta da eivas en todas as profesións (traballo social, terapia ocupacional, enfermaría...) e en todo o país, nomeadamente na Coruña.Ningunha categoría profesional cumpre coas propias recomendacións da propia Comisión Asesora da Consellería de SanidadeO informe conclúe que durante a última década o estado da saúde mental da poboación residente en Galicia foi a peor "sensiblemente" e que nese tempo "a calidade asistencial non se viu incrementada, como recomendaron institucións internacionais de referencia como a propia Organización Mundial da Saúde, se non todo o contrario".O MGSM conclúe que ningunha categoría profesional cumpre coas propias recomendacións da propia Comisión Asesora da Consellería de Sanidade, situándose a dotación real nun 62% sobre os mínimos apropiados. A categoría de traballo social é a peor dotada, cun 26,8%; seguida pola de terapia ocupacional (32,7%); celadores (49,2%), enfermaría (49,6%); psicoloxía clínica (54,2%); psiquiatría (68,1%); e a mellor dotada é a de técnicos/as en coidados auxiliares de enfermaría, que se sitúa a un 85% do recomendable. Esta infradotación prodúcese en todo o país, pero de forma desigual: dende a EOXI da Coruña, que se atopa a un 41% do persoal recomendado, seguida de Pontevedra, cun 52,5%; Ourense, cun 62,4%; Vigo, cun 65%; Ferrol, cun 65,6%; Lugo, cun 65,7%; mentres que Santiago de Compostela presenta un cadro ao 70,8% do recomendado.Para o MGSM, "as estatísticas en relación á situación mental da poboación galega non convidan ao optimismo, xa que desde o comezo da crise económica produciuse un notable deterioro neste ámbito". Se se compara a lista de espera de pacientes para a súa primeira cita nos servizos de psiquiatría, practicamente duplicouse: pasouse de 4.623 persoas en xuño de 2008 a 8.094 en xuño de 2018. Estímase que un de cada cinco galegos/as experimentou algún trastorno mental ao longo da súa vida, un 7% no último ano, e máis de 6.000 persoas padecen trastorno mental grave no noso país.En Galicia no período 2011-2017 aumentou un 45% as persoas con problemas de saúde mental diagnosticadas por un médico/aDe acordo tanto coa Enquisa Europea de Saúde como as propias sondaxes do Instituto Nacional de Estadística, desde 2006 o número de persoas que refiren problemas de saúde mental está en constante incremento. Por exemplo, en Galicia, no período 2011-2017 aumentou un 45% as persoas con problemas de saúde mental diagnosticadas por un médico/a, unha cuestión na que as mulleres practicamente duplican aos homes.Ao contrario das tendencias do conxunto do Estado, en Galicia tamén se produciu un aumento dos trastornos psíquicos e psicolóxicos na poboación infantil e xuvenil. Entre os menores de 14 anos, incrementáronse un 66% os problemas de tipo ansioso ou depresivo e un 17% os trastornos de conduta. En cambio, só existe unha Unidade de Hospitalización Psiquiátrica Infantoxuvenil, situada en Compostela e con 7 camas, a metade das mínimas que recollía o Plan Estratéxico de Saúde Mental 2006-2011. Comprometérase unha nova Unidade para a zona sur de Galicia, pero desde o MGSM non se ten constancia da súa posta en marcha efectiva."Isto sitúa a calidade asistencial en cifras moi inferiores en comparación tanto co resto do Estado"O MGSM advirte de que "é imposible prestar atención á saúde mental sen profesionais". "Isto sitúa a calidade asistencial en cifras moi inferiores en comparación tanto co resto do Estado como con Europa, o que implica que a poboación galega está vendo conculcados os seus dereitos no relativo á atención á saúde mental", engade. |
NOS_6326 | A lexislación penal non permite a retroactividade, di o ministro de Memoria Democrática, Félix Bolaños. Desde Podemos contradino, e afirman que si se poderán xulgar os crimes do franquismo. O BNG presenta 44 emendas "para rematar coa impunidade" e Feixoo ve un intento de distraer a atención. "É escandaloso", exclama o presidente da Xunta. | O Executivo español recoñeceu esta quinta feira que a Lei de Memoria Democrática non dará pé a xulgar os crimes cometidos pola ditadura franquista. "Ningún cambio". O que se vai poder facer "é exactamente o mesmo que desde 2002". Así se expresou o ministro de Memoria Democrática, Félix Bolaños, que recoñeceu que as dificultades que existen agora para xulgar os crimes do franquismo seguirán a ser as mesmas, e que teñen que ver "coa irretroactividade da lexislación penal". Bolaños asegurou que a nova lei impulsada polo Goberno estatal e as emendas pactadas entre PSOE e Podemos non significan derrogar nin deixar sen efecto a Lei de Amnistía de 1977. Todo o contrario, ratifícase a súa vixencia e reafírmase que se ten que interpretar conforme aos tratados internacionais. Por iso, admitiu que cando a nova norma entre en vigor, a situación xurídica en España seguirá a ser a mesma que desde 2002, cando se ratificou o Estatuto de Roma da Corte Penal Internacional e estableceuse que a lei debía aplicarse seguindo o dereito internacional. Nese sentido, incidiu en que, ao non ser a Lei de Memoria unha lei orgánica, non vai afectar á lexislación penal que, por outra banda, non permite a retroactividade, dixo. Podemos contradí Bolaños Pola súa banda, o portavoz de Unidas Podemos, Enrique Santiago, defendeu que a emenda pactada antonte co PSOE si permitirá xulgar os crimes do franquismo e acabar coa "impunidade", sen que exista opción a aplicar amnistía tal e como mandata o dereito internacional. Esa emenda, dixo, é a "vía máis clara" para conseguir que os tribunais poidan investigar e xulgar crimes de guerra, xenocidio, tortura ou lesa humanidade. O BNG emenda a lei e pide pór fin á impunidade Para o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, as emendas pactadas entre PSOE e Podemos son "claramente insuficientes". O nacionalista explicou que "non vale con que a futura norma faga unha referencia a que todas as leis se aplicarán ao amparo do dereito humanitario internacional, como expoñen os socios do Goberno, porque o recoñecemento dos crimes de guerra e os delitos de xenocidio, lesa humanidade e tortura xa eran imprescriptíbeis e non deron lugar a ningunha acción xudicial en relación cos crimes do franquismo". É por iso que entre as 44 emendas que onte presentou o BNG márcase necesario suprimir os artigos da Lei de Amnistía "que amparan os delitos cometidos polos funcionarios e autoridades franquistas". Tamén avogan nas emendas por declarar ilegais -e non só ilexítimos como fai o texto do proxecto de lei- os consellos de guerra e os tribunais políticos do franquismo así como nulas de pleno dereito as sentenzas e resolucións represivas tanto de órganos xudiciais como administrativos. Así, "de maneira específica, e do punto de vista simbólico mais con alto significado político", o BNG propón declarar ilegais os consellos de guerra e nulas de pleno dereito todas as condenas neles ditadas, como a condena a morte do dirixente nacionalista Alexandre Bóveda, fusilado a 17 de agosto de 1936. Da mesma maneira, as condenas e sancións ditadas por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza por calquera tribunal ou órgano penal ou administrativo durante a ditadura contra quen defendeu a legalidade institucional anterior, pretendeu o restabelecemento dun "réxime democrático ou tentou vivir conforme a opcións amparadas por dereitos e liberdades hoxe recoñecidos". "A declaración de nulidade e ilegalidade terá que dar lugar ao dereito de reparación, non só moral, se non tamén á responsabilidade patrimonial do Estado", indica o deputado nacionalista. A organización entende que a garantía do exercicio de dereito á xustiza e o fin da impunidade "ten que estar recollido no texto lexislativo" e, por tanto, a Administración do Estado ten que garantir o dereito das vítimas á xustiza, seguindo a legalidade internacional en materia de dereitos humanos. Por outra banda, na definición de reparación integral "ten que ser entendida como o conxunto de medidas de restitución, indemnización, rehabilitación, satisfacción e garantías de non repetición, nas súas dimensións individual, colectiva, material, moral e simbólica orientadas ao restabelecemento dos dereitos das vítimas" explicou Rego, incluída a responsabilidade patrimonial do Estado na reparación das vítimas do franquismo. Tamén reclama que se garanta o dereito á tutela xudicial efectiva das vítimas da ditadura, que a declaración como lugares de memoria democrática e a restitución de documentos corresponda ás comunidades autónomas, que se devolva á Galiza o patrimonio e bens incautados ou expoliados durante o franquismo e que o Pazo de Meirás sexa centro de recuperación da memoria. Alén do máis, Rego fixo referencia ao recoñecemento expreso coa posibilidade de reparación material ás mulleres e nenas que foron encerradas nos centros do "Patronato de Protección da Muller", entre 1941 e 1985. Así mesmo, reclama o recoñecemento da persecución lingüística para que se inclúan "non só as persoas senón tamén os pobos que foron represaliados ou perseguidos polo uso ou difusión da súa lingua propia". Feixoo ve un intento de "desviar a atención" detrás da emenda para xulgar os crimes franquistas O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, cualificou na mesma quinta feira de intento de "desviar a atención" a vía lexislativa que expuxo o Goberno de coalición PSOE-Podemos no Estado en relación a sortear a Lei de Amnistía de 1977 para investigar e xulgar -aínda que agora o PSOE non o ve factíbel- os crimes do franquismo. "Hai que recoñecer que as habilidades do Goberno actual son superiores ás de calquera outro Goberno. Cada vez que hai un problema, busca un asunto para desviar a atención. Paréceme escandaloso que, cada vez que hai un problema, o Goberno saque da chistera un tema para desviar a atención", sentenciou, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo. |
NOS_41302 | Alberte Corral Iglesias, escritor e presidente da agrupación cultural O Facho da Coruña, pon de manifesto que O Diario Galego -o proxecto que Sermos impulsa para 2019- debe impulsar o xornalismo de investigación e actuar como espazo divulgador nos eidos da creación literaria e cultural. | -Que esperas de O Diario Galego? -Que sexa descentralizado, e no que as realidades políticas, económicas e culturais que se manifestan en cada área territorial teñan especificidade propia. -Por que é necesario? -Para ter una lectura da realidade e dos acontecementos en función dos intereses das clases traballadoras do país. -Que importancia ou que pegada podería ter no eido da creación literaria e cultural? Deberá desenvolver un grande espazo no xornalismo de investigación, en primeiro lugar; e nos eidos da creación literaria e cultural, ser un espazo divulgador. [Para facer de O Diario Galego unha realidade, necesitamos sumar 3 mil subscricións. Podes sumarte nesta ligazón] |
NOS_3238 | Libera! e a Fundación Franz Weber veñen de presentar unha demanda ante a Valedora do Pobo polo incumprimento dun acordo parlamentar no que se recollía a fin das subvencións a este tipo de eventos. | A queixa rexistrada recolle a existencia dunha proposición Non de Lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza o pasado marzo de 2018 na que se instaba a Xunta a "non subvencionar estas actividades, non apoialas nin participar na súa promoción e desenvolvemento". No entanto, a institución segue a aparecer como patrocinadora nos carteis promocionais. Estes "campionatos" terán lugar o vindeiro sábado 12 de xaneiro e estenderanse até principios do mes de febreiro. A Fundación Franz Weber e a Asociación Animalista Libera lembran que durante a tempada de caza 2018-2019 mataranse aproximadamente 12.500 exemplares de raposo. Dende ambas asociacións cualifican a actividade cinexética como "un acto reprobábel, paracientífico e innecesario" e insisten en que "a Xunta segue a consentir non só a matanza, senón tamén a contaminación ambiental asociada e que aínda non foi avaliada no seu conxunto". Demandan ademais unha maior transparencia, en tanto que a entidade organizadora é perceptora de fondos públicos e a súa obrigación de facer accesíbeis os calendarios reais das convocatorias. |
NOS_8000 | O Telexornal Mediodía do domingo 10 de febreiro dedicou 12 minutos e 45 segundos de información á manifestación españolista en Madrid e tres minutos con 43 segundos á de Compostela en defensa da sanidade pública. O desequilibrio na cobertura atinxiu todos os campos: na escolla de declaracións, nos planos, nas explicacións en off. | Dos 13 minutos dedicados á manifestación españolista de Madrid, convocada por PP e Ciudadanos e á que se sumou a extrema dereita de Vox e outras organizacións menores, un minuto e 43 segundos foron o bloque de titulares. Cando arrincou o informativo, a locutora expuxo na entradiña o presunto éxito da protesta: "Agardábanse 20.000 persoas, finalmente foron máis". Planos xerais tomados con guindastre contrastaban cos planos a pé de rúa tomados da manifestación de SOS Sanidade Pública apoiada pola oposición parlamentaria en Compostela. Un xornalista seguiu desde o lugar a concentración madrileña e afirmou que estaba ateigada de "bandeiras e himno nacional, os símbolos que encarnan os valores da Constitución de 1978". Durante 40 segundos, os espectadores e as espectadoras do Telexornal Mediodía puideron escoitar os contidos do manifesto españolista, lido polos xornalistas María Claver, Carlos Cuesta e Albert Castillón. Sobre as reivindicacións dos manifestantes en defensa da sanidade pública, sintetizada nun texto ao que deu lectura a actriz Isabel Risco, nada souberon: a noticia non incluíu a súa voz. Na peza de Madrid houbo espazo para cortes de Pablo Casado, presidente do PP, para Albert Rivera, líder de Ciudadanos, e mesmo para o cabeza visíbel de Vox, Santiago Abascal, e a súa esixencia de "suspensión da autonomía de Catalunya". O presidente da Xunta e do PP galego fixo declaracións específicas á TVG e asegurou que pedía "dignidade para o pobo" nun acto "sen reaccións desmesuradas e sen crispación". A audiencia do informativo da TVG soubo que os líderes da oposición parlamentaria galega -Luís Villares de En Marea, Gonzalo Caballero do PSdeG, e Ana Pontón do BNG- asistiron á marcha contra os recortes sanitarios. Pero non puideron sentir nin a súa voz nin os seus argumentos. Si, porén, os do Goberno do PP: o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, ocupou case un minuto dos 3.43 dedicados en total á noticia. E coñeceron, apenas comezada a información, que o Colexio de Médicos se desmarcara da mesma cun comunicado. Só cando transcorreran 15 minutos e 20 segundos do Telexornal, dedicados maioritariamente -agás uns tres minutos do bloque inicial de titulares que deron conta doutros contidos do programa- ao sucedido onte na Praza de Colón en Madrid, a TVG deixou escoitar a resposta do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez. Os 13 minutos dividíronse así no apartado de titulares, no dedicado á concentración -con mención especial para Feixoo e o PP galego-, nunha peza de contexto e máis nas declaracións de Sánchez. |
NOS_25103 | Nin Celta nin Deportivo foron quen de cumprir. Malia saber que se xogaban moito máis que tres puntos nos seus respectivos encontros. Os vigueses caeron fronte o Osasuna (0-1) e os coruñeses ante o Xetafe (3-1) | Nin o Celta nin o Deportivo estiveron á altura da exixencia que lles impoñían as súas respectivas citas. Os celestes no Reino de Navarra, ante o Osasuna; e os branquiazuis perante o Xetafe. Os equipos galegos caeron, sen honra ningunha podería se dicer. E abónanse ao descenso. O Celta viaxou até Nafarroa para xogar contra o Osasuna. Sabían que tiñan que gañar ante un rival directo, pois só dous puntos os separaban (antes do encontro) dos irundarras. Non o fixeron. Perderon un a cero e están ao borde do precicipio. Un gol do osasunista Armenteros, aos 10 minutos da segunda parte, puxo de manifesto que o Celta non estaba a ter o seu día. De principio, optou por deixar nas botas dos navarros a pelota e o xogo. E acabou pagando a volta. Non foi quen de atinxir o empate, malia dúas oportunidades que tivo a balón parado. Pouco despois de que o Celta caese, os deportivistas (pechacancelas da táboa ligueira) saltaron ao campo do Xetafe. Nos primeiros compases do partido, o Depor semellaba telo todo a favor. A expulsión dun xogador do equipo madrileño e o gol de Pizzi poñían o escenario moi ben para os herculinos. Mais fo un espellismo. Ao final dos 90 minutos, 3 a un para os españois e o Depor de volta para Coruña máis afundido na táboa. E, por riba, cun calendario a corto prazo dos de meter medo, con enfrontamentos co Sevilla, Barça... |
Subsets and Splits
No saved queries yet
Save your SQL queries to embed, download, and access them later. Queries will appear here once saved.