ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
PRAZA_18948
Tras a elección de Valentín González Formoso á secretaría xeral do PSdeG, o partido afronta o vindeiro febreiro os seus catro congresos provinciais. Tras a recolleita de avais fica confirmado que nas catro eleccións territoriais haberá dúas opcións de voto, nalgúns casos reproducindo en boa medida as afinidades entre as dúas opcións que concorreron ao Congreso Nacional e noutras, tamén dinámicas territoriais propias.
Tras o Congreso Nacional que, o pasado decembro, culminou a chegada de Valentín González Formoso á secretaría xeral tras a súa vitoria nas eleccións primarias con case o 60% dos votos fronte a Gonzalo Caballero, o PSdeG culminará a renovación dos seus órganos directivos coa celebración, o vindeiro febreiro, dos catro congresos provinciais. Finalmente, tras a recolleita de avais, fica confirmado que nas catro eleccións territoriais haberá dúas opcións de voto, nalgúns casos reproducindo en boa medida as afinidades entre as dúas opcións que concorreron ao Congreso Nacional e noutras, tamén dinámicas territoriais propias.A Coruña: Bernardo Fernández ou Noa DíazNa provincia da Coruña, a remuda á fronte da secretaría xeral provincial era obrigada, toda vez que o actual secretario provincial era precisamente Valentín González Formoso. Ao novo líder do PSdeG substituirano na provincia da Coruña ou o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, ou a deputada compostelá Noa Díaz.Fernández, politicamente afín a Formoso, asegura que a súa candidatura "nace da miña experiencia persoal" e dende a aposta por que "o obxectivo prioritario sexa preparar o partido para as próximas eleccións municipais, onde esperamos aumentar o apoio maioritario" de 2019. "O meu proxecto nace do municipalismo", resaltou tras entregar "máis de 1.600 avais" á candidatura.Noa Díaz, pola súa banda, é actualmente deputada no Parlamento e próxima á contorna política de Gonzalo Caballero. Tras entregar 587 avais á súa candidatura -"o máximo esixido para concorrer ás primarias", resalta-, a parlamentaria declarouse "moi satisfeita do apoio recibido" e disposta a "poñer o foco en cuestións diferentes ás da outra candidatura, como a necesidade de reforzar o papel da militancia". "Ocupo cargos orgánicos e institucionais dende hai moi pouco tempo, pero levo neste partido dende os anos 90 e sempre fun unha militante de base", resalta.Lugo: José Tomé ou Xosé María AriasTamén en Lugo haberá mudanza na secretaría provincial, actualmente exercida por Patricia Otero. A militancia terá que optar entre o presidente da Deputación e alcalde de Monforte, José Tomé, ou o rexedor de Castroverde, Xosé María Arias, que xa optara ao posto en procesos anteriores.Tomé resalta que inicia a carreira interna con máis de 600 avais, "máis do dobre da cantidade establecida" -fíxase en función da militancia de cada provincia- que ve "moi importantes dende o punto de vista cuantitativo, pero tamén cualitativo, porque proceden de todo o territorio da provincia, de todas as comarcas". "Quero un partido forte, unido e integrador", sinala o tamén titular da Deputación, que resume o seu programa en "catro liñas de traballo: alargar as bases do partido, ofrecer asesoramento técnico e político" ás agrupacións locais, "fomentar a participación" e "máis coordinación e difusión nas mensaxes".No caso de Arias, achegou 304 avais para rexistrar a súa candidatura, se ben sinalou que conta cuns 400. Nos últimos días, o rexedor de Castroverde afirmou que a súa aposta por un cambio de rumbo a respecto da anterior dirección provincial xa que, lembra, Tomé formaba parte dela. Neste sentido, sinala que pode achegar á dirección socialista a súa experiencia institucional -e alcalde dende 1999 e tamén deputado provincial-, pero procurando que o partido teña "voz propia", con "forza para a militancia".Ourense: Rafael Rodríguez Villarino ou Alfredo GarcíaOurense é unha das dúas provincias nas que o actual secretario xeral do PSdeG no territorio opta a continuar no cargo. Rafael Rodríguez Villarino, actual titular do posto e voceiro socialista no Concello de Ourense, achegou o "máximo de avais requiridos" malia recoller "máis do dobre" e fíxoo, di, "con moito ánimo e enerxía para seguir loitando por un futuro mellor para Ourense".Quen fora candidato á alcaldía de Ourense en 2019 -naqueles comicios o PSdeG foi primeira forza na cidade- sinala que o obxectivo da súa candidatura interna é "culminar o proxecto de cambio socialista iniciado hai 4 anos, coa mirada posta nas vindeiras eleccións municipais". A intención dos socialistas ourensáns, sinala, ten que ser "acadar máis gobernos na provincia", a comezar por "gobernar o Concello e a Deputación de Ourense e rachar co pacto da vergoña que o impediu", en referencia aos bipartitos do PP con Democracia Ourensana en ambas institucións.Quen opta a substituír a Villarino na secretaría provincial do PSdeG ourensán é Alfredo García, alcalde do Barco de Valdeorras e antigo presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias. García, que tamén achegou "o máximo de avais permitidos" (236, no caso da provincia ourensá) malia "obter case o dobre". O rexedor do Barco sinala que o PSdeG ourensán debe acometer un "intenso labor de organización e mellora da súa estrutura" para "competir de forma similar a como o facemos nas outras provincias galegas". "É necesario abrir unha nova etapa na provincia, na que estea integrada toda a militancia que poida achegar algo, a partir do labor nos concellos e ampliándoa ao conxunto dos sectores sociais progresistas", resalta.Pontevedra: David Regades ou Paloma CastroTamén quen actualmente é secretario provincial do PSdeG en Pontevedra, David Regades, opta a recuncar no cargo. Regades, concelleiro en Vigo, delegado da Zona Franca e moi próximo politicamente ao rexedor vigués, contou co propio Abel Caballero e mais con Carmela Silva, presidenta da Deputación e da nova Executiva Nacional do PSdeG, na presentación dunha candidatura que, di, ten vontade de integraciónMaior participación e formación da militancia son algúns dos eixos dun proxecto que, di o candidato á reelección, é "feminista, progresista e municipalista". Esgrime tamén a súa experiencia e a do partido no goberno local de Vigo e na Deputación como mostra do que o socialistas son "capaces de facer". O avance local, coida, é clave para que o PSdeG poida aspirar a retornar á Xunta.Con Regades competirá pola secretaría provincial a deputada Paloma Castro, que veu sendo membro do equipo de Gonzalo Caballero. Defende a candidata que "o proxecto que represento é o de Pedro Sánchez, a quen as bses apoiamos maioritariamente tamén nesta provincia cando o retiraran da secretaría xeral" e por iso, mantén, a campaña interna coa que o actual presidente do Goberno de España recuperou o liderado do PSOE será modelo para a súa. "O noso obxectivo é continuar a senda de crecemento electoral que iniciamos coa chegada de Gonzalo Caballero á secretaría xeral" e "integrar" en torno a un "proxecto de esquerdas, feminista e a carón da militancia de base".
NOS_54799
A ofensiva rusa en Ucraína encarece o gas 29%.
O prezo medio da electricidade no mercado almacenista sobe esta segunda feira 8,15% a respecto deste domingo, e supera deste modo os 277 euros por megawatt hora (MWh), o prezo máis alto no que vai de 2022. En concreto, o prezo medio do 'pool' é de 277,78 euros/MWh, uns 21 euros máis caro que o prezo do domingo, situado en 256,84 euros/MWh, segundo os datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). O prezo desta segunda feira é o máis alto no que vai de 2022, xa que se sitúa por riba do anterior máximo, de 261,11 euros/MWh, atinxido o sábado 26 de febreiro. Por treitos horarios, o prezo máximo da luz esta segunda feira darase entre as 20 e as 21 horas, con 346 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 218,97 euros/MWh, rexistrarase entre as 15 e as 16 horas. A invasión rusa encarece o gas Após o inicio a pasada quinta feira dos ataques de Rusia a Ucraína, os futuros de gas natural disparáronse. No entanto, esta sexta relaxábase a súa cotización na plataforma neerlandesa TTF, de referencia en Europa, caendo algo máis de 20%, até os 102,770 euros/MWh. No caso do Mibgas, o operador do mercado ibérico, o prezo do gas natural situábase en 113,05 euros/MWh, após rexistrar unha suba do 29%. En que consisten as sancións impostas a Rusia? O encarecemento desde mediados do ano pasado no mercado eléctrico explícase, principalmente, polos altos prezos do gas nos mercados e dos dereitos de emisión de dióxido de carbono (CO2), en máximos históricos. En comparación con hai xusto un ano, o prezo do 'pool' para esta segunda feira será 1.399,08% superior aos 18,53 euros/MWh do 28 de febreiro de 2021. 2021, o ano máis caro A luz fechou 2021 como o ano máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros/MWh debido á espiral alcista rexistrada no 'pool' no segundo semestre. O prezo medio do mercado diario o pasado xaneiro foi de 201,72 euros/MWh, 235,3% superior ao prezo medio do mesmo mes do ano pasado e un 15,7% inferior a decembro de 2021.
NOS_13952
Máis un número do semanario na rúa. Entrevistamos Luis Villares e Mercedes Peón, facemos balanzo ambiental do 2016, falamos con xente que aposta no país en temos de crise..todo isto e máis, xa na nosa loxa.
O Parlamento galego debaterá ao longo da presente lexislatura sobre o modelo de financiamento. Todas as forzas con representación no Hórreo teñen claro que a abordaxe dun novo sistema é ineludíbel, mais as posicións de partida son ben diferentes: mentres o BNG aposta nun concerto económico coma o vasco, PP e PSOE acreditan na reforma do modelo actual e En Marea avoga por un modelo confederal e cooperativo. Falamos de todo isto en 'O Cupo, o sistema sustentábel'. En 'A Coruña, ao mellor ofertante', contamos como o Estado quere facer caixa con terreos públicos ao tratar de vender a cidade en anacos. Hai uns meses foi o Ministerio de Defensa con tres parcelas no Campo da Estrada, na Maestranza. Agora é a Autoridade Portuaria, institución dependente de Portos do Estado, quen quere vender o hotel Finisterre e o complexo deportivo da Solana. O obxectivo, o mesmo: facer caixa con terreos públicos. Se algún acontecemento caracterizou o 2016 no eido ambiental foi a definitiva tirada da carauta do PP coa permanencia da pasteira en Pontevedra. Mais non só. O secretario executivo de ADEGA, Fins Eirexas, achéganos unha análise do que nos deixou o ano 2016 en materia medioambiental e os retos que fican por encarar neste 2017 que vén de comezar. Faino en 'Balanzo ambiental de 2016: de Ence a Sogama' "Non cremos nos liderados verticais" Portavoz do grupo parlamentar de En Marea, Luis Villares está neste momento no ollo do furacán, en plenas primarias da organización. Encabeza a candidatura oficial, mais coa particularidade de que para tecer consensos" tivo que renunciar a dispor de dereito de voto na dirección. O seu discurso é que as cesións persoais están ben se con elas se garante a construción da unidade popular. "Organicamente non hai ningún artigo que me prohíba estar na coordenadora con voz e voto". 'Feijóo, ariete contra as nacións sen estado'. Voltou ao taboleiro político a Conferencia de Presidentes/as das Comunidades Autónomas. Non comparecía nel desde 2012. Un Rajoy con maioría absoluta optou por desfacerse do que aos seus ollos era un estorbo. Volta agora -o PP está en minoría e necesita apoiosmais con dúas ausencias moi significativas, Catalunya e Euskadi. Quen saíu a mallar nelas? Feijóo. As responsabilidades penais arredor das caixas galegas parecen estar dilucidadas. Non así as políticas. Esa é, di a oposición, a tarefa da Comisión de Investigación que se reabre a segunda feira no Pazo do Hórreo. 'Antigas caixas: todo por investigar'. Internacional 'A virada copernicana de Filipinas'. Con 102 millóns de habitantes e unha das economías máis dinámicas de Asia, Filipinas é un importante país do sueste asiático. Até agora fiel aliado dos EUA, o novo goberno racha amarras con Washington e tende pontes con China e Rusia. A política interna está marcada pola autoritaria "guerra antidroga" liderada polo presidente Duterte. O responsábel do Departamento de Relacións Internacionais da CIG debulla a resposta que desde o movemento sindical se lle está a dar a nivel internacional á ofensiva do capital. Rivera Jácome aposta en consolidar un "contrapoder" sindical que combata desde a mobilización e o conflito as políticas de recortes. 'O movemento sindical internacional diante da arremetida neoliberal'. No editorial, no agro, nas novas tecnoloxías, no mar... xente que se move para erguer ou apuntalar proxectos co país como valor engadido. 'Apostar no país en tempos de crise'. Foxen do cualificativo de "emprendedores" polas connotacións que o termo adquiriu nestes anos. Son persoas que, en diferentes e moi variados campos, apostaron en sumar para erguer proxectos que, facendo fronte a dificultades, repercutan máis aládun simple balanzo de resultados económicos. En análise deitamos a mirada no I+D para s empresas galegas. Fóra de serie Falamos con Yolanda Castaño, gozamos de propostas culinarias, coñecemos paraxes incríbeis como o dos Grobos da man do colectivo Xea... E adentrámonos na historia de María das Auroras, unha militante nacionalista de base contra o fascismo. Entrevistamos Mercedes Peón. Sitúase a unha distancia sanitaria do sistema. Crea ela soa, desde a súa casa, no seu computador, nun país periférico, nunha lingua subalterna. Pero podemos vela en calquera festival do planeta. Por exemplo, nos próximos Womad (o maior festival de world music) en Australia e Nova Celandia. E, no pasado Womex xuntou unha chea de xornalistas, ávidos de escoitar un par de petiscos do seu novo traballo, que ela lles explicou desde a súa posición no mundo e tirando da teoría do colonialismo. Sairá en maio. "A miña maior influencia vén das mulleres incríbeis dos microhábitats que visitei desde os 13 anos". A Real Academia Galega de Belas Artes, a Fundación Carlos Casares, a Real Academia Galega, O Consello da Cultura Galega e a editorial Galaxia organizarán diversas actividades arredor das figuras de Maruxa Mallo e Carlos Casares. E non faltan as achegas de Luz Darriba e Antón Losada. As seccións de Xoán Costa e Pepe Barro. A crítica literaria de Mario Regueira e de cinema de Andrés Castro. Laura Rey debúllanos 'As mans da terra' e Manuel Xestoso cóntanos de 'Conto de inverno'.
NOS_31723
O manifesto foi acordado por varias universidades o 24 de outubro de 2019 e posteriormente validado polas súas respectivas facultades.
O xulgado do contencioso-administrativo número 3 de Barcelona ditaminou que o manifesto aprobado pola facultade da Universidade de Barcelona no que rexeitaba as "condenas de presos políticos e a xudicialización da política" vulnera o dereito á liberdade, expresión e expresión ideolóxica. da educación. Por todo isto, e tras unha denuncia de varios particulares, declara nulo o manifesto e deixa sen efecto a acción administrativa. O manifesto foi acordado por varias universidades o 24 de outubro de 2019 e posteriormente validado polas súas respectivas facultades. Fixérono na UB, pero tamén na Universitat Rovira i Virgili, na Universitat Autònoma de Barcelona, na Universitat Politècnica de Catalunya, na Universitat de Girona, na Universitat de Lleida e na Universitat Pompeu Fabra.
NOS_24100
A variante Ómicron de coronavirus continúa, imparábel, a súa expansión, tamén na Galiza, e preocupa ás autoridades sanitarias pola capacidade que ten para se propagar. O aumento dos contaxios permite coñecer mellor esta variante e, en particular, os seus síntomas, que difiren dos da variante Delta.
Descuberta en Sudáfrica no mes de novembro, a variante Ómicron presenta síntomas diferentes aos da cepa orixinal do virus e aos da Delta, que é a maioritaria na Galiza. As persoas expertas advirten de que Ómicron será a predominante nas próximas semanas, dada a súa capacidade de propagación. A tose aparecería antes da febre no caso de contaminación coa variante Ómicron. Tamén pode producir mocos, unha gran fatiga, rixidez, dor de garganta ou tose intensa se o paciente é sintomático. O médico surafricano Unben Pillay explicou esta semana na conferencia organizada polo Ministerio de Sanidade do país que é probábel que os soños nocturnos formen parte dos frecuentes síntomas que provoca a variante Ómicron. "Observamos un forte aumento dos casos nos últimos dez días. Até agora, eran na súa maioría casos moi leves, con pacientes que presentaban síntomas similares á gripe: tose seca, febre, suores nocturnas, dores no corpo", apuntou, en relación á variante. As suores nocturnas poden formar parte dos síntomas da variante Delta, pero aparecen con moita menos frecuencia. Un dos cambios máis salientábeis en relación ás variantes anteriores é na perda do olfacto e do gusto. Nas primeiras vagas, dábase até nun 70% das persoas e era un síntoma moi específico da Covid-19 de comparármola con outras infeccións respiratorias. Coa Ómicron, a perda de olfacto e gusto é moi pouco frecuente ou nula. O vogal da Sociedade Española de Atención Primaria e catedrático de Medicina Preventiva da Universidade de León, unha das persoas expertas na citada variante a nivel estatal, Vicente Martín, pon de manifesto que a meirande parte das persoas contaxiadas coa Ómicron presenta un cadro semellante ao dun catarro ou unha alerxia. O médico recomenda a calquera persoa cos citados síntomas que pense que ten Covid, se ille e se poña en contacto cos servizos médicos o antes posíbel. Asegura que "non pode ser gripe, porque este virus aínda non apareceu". As persoas especialistas destacan que se se ten en conta que a variante é máis contaxiosa, pode haber unha explosión de hospitalizacións por pura estatística.
PRAZA_20109
A Xunta anuncia subvencións por 1,4 millóns que son as axudas de reconversión e reestruturación do viñedo de cada ano pero con prioridade para as zonas afectadas. As organizacións agrarias consideran "insuficientes" os anuncios da Administración.
Logo da manifestación do pasado 13 de maio en Ribadavia, de novo centos de produtores saíron este martes á rúa para reclamar á Xunta "axudas directas" tras as fortes e históricas xeadas que afectaron gravemente o sector vitícola pero tamén outros como o da castaña entre finais de abril e principios deste mes de maio. As importantes choivas e as sarabiadas posteriores acabaron por empeorar a situación da que hoxe advertiron en Ourense máis de 500 persoas convocadas polo Sindicato Labrego Galego (SLG), Unións Agrarias (UUAA), Fruga ou asociacións de viticultores. Máis de 500 persoas manifestáronse en Ourense reclamando axudas directas aos produtores afectados polas fortes xeadas Na protesta reuníronse representantes das catro denominacións de orixe vitivinícolas de Ourense, da Ribeira Sacra de Lugo e produtores de castaña e mel. A manifestación non será a última e trasladarase a Compostela no caso de que a xuntanza que os sindicatos agrarios manterán a semana que vén coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, non dea resultado. Reclamarán apoio para todos os produtores Entre berros de "o campo de Ourense está en pé" ou "Feijóo escoita, o campo está en loita", tamén se podían ler pancartas de diferentes zonas afectadas coa súa reivindicación. Todos, tal e como deixaron claro no comunicado conxunto ledo ao final da marcha, reclamaron á Xunta que abra un rexistro para coñecer o número real de afectados e a superficie afectada. Segundo Unións Agrarias, as xeadas afectaron "entre un 80 e un 94% da produción de viño" e que "máis de 4.900 produtores da provincia vanse a quedar sen ingresos en 2017". Os produtores reclaman unha liña de axudas co mesmo importe que as aprobadas en agosto pasado e que se condonen as cotas pagadas á Seguridade Social por parte dos autónomos do sector Ademais, os produtores tamén reclamaron unha "liña de axudas" co mesmo importe que as aprobadas en agosto do pasado ano tras unha saraibada que afectou a produción da Ribeira Sacra lucense. Serían de 7.500 euros por hectárea ata un máximo de 15.000 euros por produtor e irían destinadas a sufragar os gastos dos traballos de poda e recuperación dos viñedos afectados. Tamén solicitaron que se condonen as cotas pagadas á Seguridade Social, por parte dos traballadores autónomos do sector, durante un período de seis meses e que a Xunta traballe nunha "mesa de negociación" co sector para adaptar os seguros agrarios á realidade galega. Ao tempo, reclamaron ao Executivo galego a posta en marcha dunha liña de créditos sen custos de tramitación e con interese cero para paliar as perdas económicas que suporá a falta de produción este ano. A mobilización deste martes chegou un día despois de que a Consellería do Medio Rural avaliase no Consello Agrario os danos producidos polas xeadas nos viñedos, así como as medidas a poñer en marcha para palialos. A conselleira Ángeles Vázquez adiantou que a Administración vai publicar nos vindeiros días unha orde de subvencións por importe de 1,4 millóns de euros para axudar á replantación das vides danadas. A Xunta anuncia subvencións por 1,4 millóns nunha orde que é a mesma dos últimos anos e que só dá prioridade ás zonas afectadas En realidade, a titular de Medio Rural refírese á orde de reconversión e reestruturación do viñedo que publicada cada ano a Xunta e á que se engade algunha novidade como a "prioridade un" que se lle dará nas axudas a aquelas zonas danadas por fenómenos como as xeadas. Aqueles proxectos presentados que se refiran a áreas con maior afectación recibirán maior puntuación. É, para os sindicatos agrarios, claro está, unha medida insuficiente. Trátase, en todo caso, da habitual orde de reconversión e reestruturación do viñedo que cada ano convoca a Xunta de Galicia, pero coa novidade de que este ano terán "prioridade un" aquelas zonas danadas por fenómenos meteorolóxicos adversos como as xeadas, unha circunstancia que será valorada con maior puntuación á hora de avaliar os proxectos presentados. Ao finalizar a manifestación, os portavoces dos produtores foron recibidos pola delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, que lles trasladou o compromiso da Xunta para poñer en marcha unha serie de créditos brandos, así como o adiamento de cotas. Os organizadores da mobilización insistiron en considerar "insuficientes" estas propostas ao non contemplar as axudas directas aos agricultores. Entre os asistentes á manifestación púidose ver o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez; o ex alcalde de Manzaneda e deputado por En Marea, Davide Rodríguez, ou a parlamentaria do BNG Noa Presas.
PRAZA_8204
Xavier Vence disponse a coller o relevo no liderado do Bloque no inicio da XIV Asemblea Nacional da formación cunha chamada a aparcar as "liortas internas" e unha defensa do discurso soberanista, que "non é unha deriva". Vídeo no interior.
Hai case cinco meses que Guillerme Vázquez anunciou que non recuncaría como portavoz nacional do BNG. "Non son tempos de abandonar", pero "o novo proxecto" do BNG debería estar encabezado por "outra persoa" tras a "reflexión" posterior á derrota electoral, explicaba ante o Consello Nacional apenas unha semana despois dos comicios autonómicos do 21 de outubro. Este domingo Vázquez pronunciou ante a XIV Asemblea Nacional do Bloque a súa última intervención como líder frontista e fíxoo para amosar o seu "orgullo" por pertencer á formación, por "compartir militancia" co resto dos seus membros e tamén por resistir nun ano en que "quixeron facernos saltar polos aires, dende dentro e dende fóra". As máis de dúas mil persoas que enchen esta mañá o auditorio principal do Palacio de Congresos de Galicia agradeceron en pé o discurso do ata hoxe portavoz dos nacionalistas, que foi fiel ao seu estilo no día do seu adeus, se cadra respondendo á descrición que minutos despois, no debate sobre o informe de xestión e o relatorio, trazou del o ex deputado Bieito Lobeira: "un portavoz nacional con ego cero". "Que se desengane o poder, non poderán destruír o BNG", augurou Vázquez entre apelacións a Castelao e Bóveda. Os dous históricos nacionalistas "nunca traizoaron a Galiza, nós, tampouco". "Que non nos maten os soños", animou, "hai que atreverse a loitar" porque "non sabemos cando, peo si sabemos que: conquistaremos a Galiza soberana, laica e republicana orgullosa da súa lingua e cultura". Vázquez: "Quixeron facernos saltar polos aires, dende dentro e dende fóra" Como o propio documento político a debate na asemblea o discurso de Vázquez estivo tamén marcado polo ton soberanista. "A dependencia do Estado español é a nosa ruína", proclamou entre aplausos. Ao seu xuízo, o BNG debe repoñerse "fronte aos que defenden a falsa e nociva idea de que Galiza lle custa cartos a España". "Non necesitamos que nos boten unha man, necesitamos que nola quiten da gorxa" nun contexto no que, ilustra, "choven pedras", pero "ninguén dixo que conquistar os dereitos sexa doado". O pontevedrés subliña que "ninguén dixo que haxa camiño sen tropezo, mais hai camiño". El, di, percorrerao dende o "apoio incondicional, absoluto, á nova dirección e ao novo portavoz nacional" e previa petición de "desculpas por non poder contribuír máis a conseguir un maior apoio social a esta organización". "Foi por falta de habilidades, non por falta de entusiasmo nin de honestidade", afirma. Vence colle o relevo A súa condición de membro da comisión redactora dos textos asembleares deu lugar a que a primeira intervención tras a despedida de Guillerme Vázquez fose, precisamente, a de Xavier Vence, o novo portavoz nacional. Dende o recoñecemento ao "entusiasmo" e "gran corazón" do seu antecesor, a poucas horas de coller o temón do Bloque Vence sitúa a XIV Asemblea como o inicio do proceso para "endereitar o rumbo" e "empezar a gañar a maioría social que precisa o noso proxecto". Isto, abonda, ten que suceder nun contexto de crise económica, pero tamén institucional e do propio nacionalismo, a cal "sen, dúbida, debilitou as forzas nacionalistas e o nacionalismo neste país". Vence pide "non dar espectáculos públicos que debiliten o BNG" "Ocorreron cousas moi graves dentro do noso espazo" que "contribuíron a poñer de manifesto cal é o nivel de conciencia nacional" en Galicia, "que non é pequena, pero non é tan grande como necesitaríamos". Isto, di, fica demostrado en que "nalgunha militancia tradicional do nacionalismo" os "principios básicos dunha alternativa nacionalista e soberanista fóronse difuminando ata facer posíbel que moita desa xente non tivese problemas para compartir alternativa e estratexia cunha forza estatal", en referencia á alianza de Anova con Esquerda Unida. Neste contexto, o economista coida que "necesitamos levantar a conciencia nacional deste país", cunha defensa da soberanía que "non é ningunha deriva", porque "o BNG leva sendo soberanista dende o seu principio, como leva sendo soberanista o nacionalismo dende a asemblea de Lugo de 1918". Esa defensa da soberanía, sinala, cómpre que a militancia do Bloque a "vincule á solución dos problemas concretos", cun "programa de pedagoxía na sociedade", compartido "con persoas independentes, organizadas, que fan activismo social e son verdadeiramente soberanistas" para así "artellar un gran movemento multicor". Esta nova implantación social do BNG debe vir aparellada dunhas nova "dinámica de funcionamento interno" que "evite as liortas e as divisións internas", sinalou, entre aplausos. "Non podemos dar espectáculos públicos que debiliten o BNG", ben ao contrario, di, militantes e dirixentes deben "reforzar a imaxe de cohesión verdadeira", que "todos sexamos solidarios coas decisións que se adoptan no BNG".
NOS_50764
O quinto álbum do porriñés saíu á venda o pasado mes de setembro e conta coa colaboración dunha quincena de músicos
O multinstrumentista Pancho Álvarez ven de presentar no pasado mes de setembro o seu último álbum individual, Celtis Australis. O traballo "pretende ubicar Galicia como o sitio dos celtas do sur, en contraposición aos considerados típicos países celtas do norte como Irlanda ou Escocia", explica o artista nun comunicado. Por outra banda, o nome tamén fai referencia á denominación botánica do lodeiro, unha árbore ornamental que era coñecida polos romanos como 'flor de loto'. Álvarez volve contar con Fol Música para editar o seu novo disco, que se convirte no seu quinto traballo individual, e no que transita con madurez e frescura por un son "optimista, aberto e creativo". O violinista comenta que a súa vontade é recoller "ecos da nosa viaxeira historia musical" e encarar a "modernidade e tradición coa mesma naturalidade". Un feixe de colaboracións En Celtis Australis, o músico repite colaboración co escritor Suso de Toro, quen xa participara no disco anterior -Sonche Atlántico- e desta volta asina catro letras dos dezasete temas do novo traballo. Así, o autor galego participa en temas como Nas túas mans a miña casa, unha tenra canción de amor que conta coa colaboración de Álvaro Iglesias ao contrabaixo, ademais da presenza de instrumentos como o bouzouki, a guitarra ou a mandolina; Canto de Berce, un doce arrolo coa voz de María Solleiro; Unha tregua, na que comparte autoría co propio Pancho Álvarez e Darío González Moreira; e Outra mañá, tema no que fan acto de presenza instrumentos como a viola de gamba ou a armónica. A listaxe de colaboracións continúa con Maruxa Álvarez Solleiro, quen toca a gaita nos temas Aires de aquí e acolá, onde tamén aparece Juan Álvarez ao mando do Ampeg Baby Bass; Baixo o Lodoeiro, xunto con Pablo Novoa na guitarra; e Danzas do Sur, unha canción que inclúe tres melodías do Cancioneiro Musical de Galiza de Casto Sampedro Folgar con arranxos de Xosé Paz Antón. Neste última tamén participan Carlos Beceiro na zanfona, Gutier Álvarez e Miguel Argibay nos violíns e Álvaro Iglesias no contrabaixo. A maiores, María Solleiro tamén prestou a súa voz en A miña vida e Dos gregos aprendín, cancións asinadas por Magín Blanco e Manuel Forcadela, respectivamente. Álvaro Vieito toca a guitarra en O Cando mentres que David Migoya ocúpase da frauta de madeira e Xurxo Núñez da percusión na reinterpretación da Rumba do Sar. Asemade, o percusionista repite en Aires de Guimarães canda Antón Seoane ao acordeón. Por último, os irmáns Castro Vicente axudan a redignificar a figura do Mestre Florencio, o cego dos Vilares, coa frauta de madeira, o birimbao, a concertina e o acordeón diatónico. O álbum complétase coas composicións individuais de Medulio, Pasodobre de San Roque e The Burren. Un imprescindíbel na música tradicional galega Pancho Álvarez encumbra así unha traxectoria de décadas. O músico, nado no Porriño, comezou na música moi novo, cando comeza a tocar a guitarra aos dez anos cos seus irmáns. Axiña inicia estudos de solfeo e violín no conservatorio de Vigo, ao tempo que comeza a súa andaina no grupo Na Lúa, como baixista primeiro e violinista despois. Álvarez continuará na agrupación durante quince anos nos que desenvolverá unha intensa actividade como arranxista e compositor e realizará as súas primeiras xiras por Europa ou Sudamérica. Logo de Na Lúa, xa a inicios dos noventa, o multinstrumentista comeza o innovador proxecto musical Matto Congrio, co que realiza concertos e a gravación dun disco homónimo. Xa despois, arredor do ano 95, Álvarez comeza o seu traballo a carón de Carlos Núñez, a quen acompaña ao longo de toda a xeografía mundial nos seus concertos. Conxuntamente co seu traballo con Núñez, forma parte do show The Chieftains entre 1997 e 2005, banda coa que grava os discos Santiago (1996) e participa en concertos como Live from Dublin – A Tribute to Derek Bell (2004), no San Patricio de 2010 e no Voice of Ages de 2011. Aparte das actuacións en directo, o artista tamén participa en produccións audiovisuais. Un exemplo é a súa colaboración na banda sonora de Mar Adentro, o premiado filme do director Alejandro Amenábar. Aparece ademais en numerosos programas radiofónicos e de televisión, tanto en calidade de convidado como de colaborador. Pancho Álvarez destaca como o violinista máis achegado ao estilo musical propio dos cegos. De feito, a homenaxe ao derradeiro grande violinista cego, Florencio, está presente en toda a súa obra individual. O seu primeiro disco en solitario, Florencio, o cego dos Vilares (1998) recolle e honra a figura do violinista da Fonsagrada, que morreu en 1986 e do que fican numerosas recollidas. O álbum foi recoñecido co Premio ao Mellor Disco Folk Europeo en 1989 pola revista Folk World. Logo deste traballo chegaron Nas Cordas (2001), Sólidos Galicianos (2009) e o xa mencionado Sonche Atlántico (2012), predecesor deste último traballo, Galicia Australis (2017).
PRAZA_7800
Xosé Luís Armesto, reitor da Universidade da Coruña, analiza os cambios que afronta a institución ante os duros recortes, advirte do aumento das renuncias ante a suba de taxas e lembra que os axustes "impedirán saír da crise pola vía do coñecemento".
A redución de 20 millóns de euros que a Xunta impuxo no plano de financiamento ás universidades galegas, e que suporá unha rebaixa de arredor do 5% na masa salarial, unido a outros axustes e aos recortes brutais nos fondos dedicados á investigación deixan o ensino superior galego nunha difícil situación. Xosé Luís Armesto, reitor da Universidade da Coruña (UdC), analiza os cambios que afronta a institución e recoñece que pode haber "problemas de tesourería". Malia os temores a unha reforma a fondo aplicada desde o Goberno central, observa "un cambio de discurso" no Ministerio de Educación, pero advirte de que a suba das taxas xa está aumentando os índices de renuncia na universidade coruñesa, o que evidencia o risco de "privatización" de facto do ensino superior en todo o Estado. Como vai o diálogo coa Xunta respecto dos axustes nas universidades? O diálogo practicamente xa rematou. Se o Goberno galego toma a decisión de reducir, aí xa non hai marxe de manobra. O que tratamos é de suavizar os efectos deses axustes para que non acaben por obrigar á redución de persoal. O activo principal que ten a Universidade é a capacitación e o talento das persoas que traballan nela e pensamos que, por algo que pode ser conxuntural, non podemos desfacernos dese talento porque costa moito tempo preparalo. "Costa reter o talento na Universidade tendo en conta os salarios que se poden ofertar" Como dixo vostede nunha ocasión, agora o importante é "reter o talento" e non tanto incorporalo... É inviable traer talento porque terías que ter capacidade de fichaxe. Podemos comparalo coa situación do Deportivo, se me apuras... Podes traer cedidos se veñen voluntariamente, por razóns familiares ou doutro tipo, pero... O noso obxectivo é reter o talento que temos, pero costa reter a xente que está destacando e que, á hora de, por exemplo, conformar un equipo de investigadores, ten problemas para captar xente polos salarios que pode ofertar. Se non configura un equipo, non terá os resultados que se queren. Hai perigo de privatización na Universidade pública? Hai problemas no decreto que aprobou o Goberno sobre as taxas porque na exposición de motivos fálase de que cubran entre un 10 e un 15% do custo do servizo, pero que hai que aumentalo progresivamente até aproximarse ao custo real. Se as familias teñen que pagar o 50 ou o 75% do custo do servizo, a Universidade deixa de ser un servizo público. Iso é privatizar porque as familias pagarían dobremente o ensino superior: cos impostos, financiando os servizos públicos xerais, e logo os propios usuarios sufrgando o 100% do servizo. "As renuncias na Universidade da Coruña aumentaron un 40% respecto do ano pasado por mor da suba das taxas" Pero en Galicia conxeláronse as taxas... En Galicia conseguíronse paliar eses efectos indo á parte baixa do abano que se marcou, conxelando as primeiras matrículas, pero pode ser algo conxuntural. Haberá que ver o que sucede o curso que vén. Na UdC estamos vendo xa como hai xente que renuncia á matrícula cando chegan ao segundo ou terceiro prazo de pagamento porque non poden asumir o custo. Temos un índice de renuncias un 40% superior ao do ano anterior. Claro que se nota a crise porque as familias, aínda que as taxas non sexan moi altas, se teñen uns ingresos baixos nada poden facer. Quen acaban pagando as consecuencias son as clases baixas, pero tamén empezan a pagalas as clases medias. Estase 'elitizando' a Universidade? Corremos o risco de que a Universidade só sexa para aqueles que poidan pagar o acceso a ela, e iso é tremendamente inxusto. A liberdade está na igualdade porque se non temos igualdade de oportunidades, que liberdade de elección temos? Para min, como reitor, esta é unha das grandes preocupacións porque somos un servizo público do ensino superior. Como afectan os axustes á investigación? A investigación nútrese da convocatoria de fondos competitivos de tipo autonómico e estatal e os recortes, en ambos os dous lados, son brutais. Na práctica, os nosos grupos de investigación, que hai uns anos tiñan un éxito nas convocatorias dun 30%, agora cos recortes téñeno do 10%. Ao haber menos recursos, fináncianse menos proxectos e xa o estamos notando. Os grupos de investigación sen financiamento non funcionan. Pero séguense pedindo resultados ás universidades españolas... É unha inxenuidade pensar que podemos facer o que se nos reclama e ter os mesmos resultados que as universidades doutros países que teñen o dobre ou triplo de financiamento. Se esas son as condicións políticas, que saiban que terán consecuencias: haberá menos investigación, menos coñecemento, menos transferencia e menos profesionais altamente cualificados. "Se hai recortes na Universidade, impedimos que se saia da crise pola vía do coñecemento" E pódese saír da crise sen contar coa Universidade? O ex ministro Ángel Gabilondo, nunha xuntanza de reitores e outros persoeiros en Madrid, aseguraba que podía ser que a Universidade non axudase moito a saír da crise, pero que é imposible saír da crise sen contar coa Universidade. Eu comparto esta reflexión. Tamén comparto outra de Federico Mayor Zaragoza, que di que a educación superior é imprescindible porque forma persoas críticas, libres e responsables. Así que, se estamos recortando estamos impedindo saír desta crise pola vía do coñecemento. Esta é a crítica e a reflexión, pero quen ten que tomar as decisións é quen ten a responsabilidade. Os axustes obedecen a causas económicas ou tamén hai ideoloxía? A crise está resultando ser unha coartada perfecta para levar adiante recortes dos servizos públicos como a sanidade ou a educación, universidades incluídas, e que responden a un plantexamento ideolóxico. Así o penso. "O discurso do Ministerio de Educación está cambiando para ben; entendo que non tomarán decisións drásticas nas universidades" Poden desaparecer universidades no Estado? A día de hoxe non, pero hai un mes a cousa estaba máis complicada. Nestas xornadas que tivemos os reitores en Madrid esta mesma semana, o secretario xeral de Universidades cambiou un chisco o discurso. Asumiu parte das nosas argumentacións, como a que di que se a Universidade española ocupa o noveno ou décimo posto na produción científica mundial quizais non é necesaria unha reforma a fondo, senón axustes. Estas foron palabras súas. Entendo que o discurso do Ministerio está cambiando para ben. Neste mes farase público o informe dos expertos encargado polo Ministerio, temen aínda así que insistan en importantes cambios ou axustes? Entendo que o Ministerio está anunciando que non vai facer unha reforma a fondo da Universidade porque a súa valoración do sistema universitario está mudando. O que deduzo das palabras do secretario xeral é que, diga o que diga o informe, o Goberno non vai tomar decisións drásticas. Tamén entendo, xa que logo, que non se van pechar universidades. O que si está sobre a mesa é que haberá que axustar o número de titulacións. Tamén en Galicia? No sistema universitario galego teremos que resolver este tema pola vía da colaboración e da coordinación a través de títulos interuniversitarios, ao igual que estamos facendo co ensino especializado de mestrado. Teriamos que facelo tamén cos graos, tanto cos de alta demanda como cos de baixa. "Serás a cooperación e a colaboración as que nos permitan salvar a oferta universitaria en Galicia" Hai demasiadas titulacións universitarias idénticas en Galicia? Hai algúns casos onde se ofertan titulacións nas tres universidades e a demanda caeu de forma importante, pero entendo que esas titulacións deben seguir existindo. O que hai que facer é buscar formas de colaboración para optimizar os recursos sen que desapareza esa oferta. Por poñer un exemplo, a UE advertiu hai anos aos estados membros que había poucos estudantes de Matemáticas e que había que levar a cabo medidas de estímulo para aumentar a demanda. O risco era non ter técnicos nin profesionais investigadores para que avanzase o coñecemento de aquí a vinte anos. Hai que ter unha visión moito máis completa. Aínda que non haxa demanda de Matemáticas, precisamos matemáticos, e o mesmo cos filósofos, por poñer outro exemplo. Serán as formas de cooperación e colaboración as que nos permitan salvar a oferta universitaria. Pois o ministro Wert dixo non hai moito que os estudantes tiñan que estudar aquilo no que se asegurasen un traballo no futuro... Non comparto esa reflexión, como é obvio na reposta anterior. Pero ademais, se ti te estás formando nunha cousa da que estás convencido, que che gusta, coa que gozas... De aí é de onde saen os bos profesionais, os bos titulados, os científicos ou os investigadores. É moi importante ter traballo, pero debemos ser ambiciosos e pensar en xente apaixonada co seu labor, que é o que permite avanzar e mellorar. Ademais, o mercado de traballo é moi cambiante e o que hoxe fai falta igual dentro de anos, non. A educación superior é algo máis que formar profesionais.
PRAZA_20223
A oposición critica os "anos sen facer nada" da Xunta por mellorar o transporte ata que unha sentenza a obrigou a actuar
Ou o novo sistema de autobuses interurbanos que vén de presentar a Xunta sae adiante, ou en agosto o rural quedará sen transporte e "centos de traballadores" quedarán sen os seus postos. Esa é a resposta a xeito de ameaza que deu este martes o PP no Parlamento de Galicia ás críticas que lle lanzaron todos os grupos da oposición pola "precipitación" coa que agora tramita o novo modelo de transporte logo de oito anos nos que, ao seu xuízo, nada fixo a Xunta por mellorar os servizos. Porén, fronte a ameaza de despedimentos no sector que lanzan os populares se non se aplica o seu plan, os sindicatos alertan de xusto o contrario, de perda de postos de traballo co novo modelo, e xa convocaron unha folga para finais deste mes. A oposición critica os "anos sen facer nada" da Xunta por mellorar o transporte ata que unha sentenza a obrigou a actuar Hai oito anos o PP prorrogou por lei unha década as concesións de transporte daquela vixentes, unha lei que hai un ano o Tribunal Supremo anulou. Iso obrigou á Xunta a aprobar en xullo do ano pasado unha nova lei urxente para manter os servizos de autobús durante tres anos mentres non se deseñase a súa definitiva reordenación a través dun Plan de Transporte para toda Galicia en 2019. Porén, esa lei urxente contemplaba a posibilidade de que as concesionarias renunciasen a seguir prestando servizo a partir do vindeiro agosto, e así o fixeron varias empresas, fundamentalmente da provincia de Ourense e o sur de Lugo. Así que a Xunta, novamente obrigada polas circunstancias, deseñou un primeiro avance para esas zonas do que será o modelo futuro de buses para o rural, baseado no transporte escolar e complementado con servizos a demanda. Un modelo que, segundo os sindicatos, que xa convocaron unha folga para finais deste mes, suporá un empeoramento dos servizos para a cidadanía e unha perda de postos para os traballadores. A Xunta, pola contra, asegura que suporá duplicar as paradas actualmente existentes, racionalizar os servizos e probar o novo modelo de cara á súa implantación xeral en toda Galicia a partir de 2019. En Marea cre que o problema do transporte é só un síntoma máis da falta de ordenación do territorio que condena o rural ao abandono e envellecemento Con esta situación, este martes o vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galicia, Antón Sánchez, defendeu unha moción coa que reclamou á Xunta que amplíe o prazo de exposición ao público do novo modelo e facilite a participación da cidadanía e das empresas no seu deseño. Segundo Sánchez, o problema de orixe da situación actual é a "improvisación" da Xunta e "a desordenación do territorio na que sumiron o país", que agora tenta paliar cun novo modelo de transporte guiado ao seu xuízo por "criterios economicistas que van agravar ese círculo vicioso de abandono e envellecemento". Sánchez dixo no querer "entrar en cuestións técnicas", xa que "o transporte a demanda, depende de como se aplique, pode estar ben ou mal". O que fixo foi pedir un maior traballo "político" do transporte por parte da Xunta e con maior participación social, pero lamentou que non vai ser así "vistos os antecedentes, as caixas de Vega Sicilia e os beneficios das grandes empresas", en referencia aos regalos realizados a políticos polo propietario de Monbus, Raúl López. Polo PSOE, o deputado Raúl Fernández lamentou o pouco peso da área de Transportes na Xunta e mesmo na Consellería de Infraestruturas e Vivenda. Segundo dixo, a situación actual débese a "seis anos de pasividade, parálise e despreocupación do transporte en xeral", non dos servizos por estrada senón tamén da coordinación aeroportuaria ou dos servizos de ferrocarril. Segundo Fernández, a Xunta só "espertou do letargo" hai un ano coa sentenza do Supremo. Pola súa banda, o deputado do BNG Luís Bará foi máis alá da moción inicial de En Marea e pediu a paralización da primeira fase agora en marcha de implantación do novo modelo de transporte. Bará incidiu nos "anos sen facer nada" da Xunta e asegurou que o novo sistema é unha "chapuza xurídica" que vai "concentrar o negocio en grandes empresas". O PP asegurou que coas súas peticións de maior participación e exposición pública do novo modelo a oposición ou quere "boicotear" á Xunta "ou queren que en agosto o rural non teña transporte ou centos de traballadores queden sen traballo" Ante estas críticas da oposición, o deputado popular Martín Fernández Prado defendeu o modelo da Xunta facendo da virtude necesidade e amparándose en que "hai unha sentenza que cumprir e un servizo público que garantir". Nesa liña, o popular asegurou que coas súas peticións de maior participación e máis tempo de exposición ao público do novo modelo a oposición ou quere "boicotear" á Xunta "ou queren que en agosto o rural non teña transporte ou centos de traballadores queden sen traballo".
NOS_13695
Con Cronoloxía da Urxencia a poeta Dores Tembrás gañou o Premio de Poesía do Concello de Carral. Un poemario na que a autora procura o desexo en multitude de voces femininas, nun encontro coa terra, o traballo e a casa da aldea. Autora de O pouso do fume (2009), Dores Tembrás afonda nunha liña que ten como trabes a terra, o silencio e o desexo.
-Por que Cronoloxía da Urxencia? Interesábame traballar o concepto do desexo, non como obxectivo senón determe no propio proceso e dentro del no que entendo como dous tempos, por unha banda a contención e pola outra a inminencia. Tentei escribir eses dous tempos do desexo a través dunha cronoloxía con tensións e distensións, co silencio como protagonista . Un desexo no que fala a muller, no que a figura da muller é fundamental. -Muller como voz poética ou tamén como referente? Como voz poética mais no poemario aparecen tamén moitas mulleres diferentes, todas experimentan o desexo nestes termos. Para min era importante enfocar non só do desexo desde o punto de vista filosófico ou profundo senón tamén´n que se concretase en voces feminina, que coñecín e que me contaron. O desexo da palabra, do poema, de atopar o alento, o que determina o achádego do poema. -O xurado definiu a súa proposta como poética con raíces, responde a súa vontade creativa? Paréceme acaído. As mulleres das que falaba son as que preceden. Bebe nese sentido do meu anterior poemario, segue na liña de O pouso do fume. A terra segue a estar moi presente e a muller asociada á terra. Nese sentido é un poemario que emprega imaxes que tiran dunha xenealoxía que para min foi moi estimulante á hora de concibir e escribir o poemario. -Tamén se sinala a referencia aos traballos do campo e a casa labrega, que evoca outras propostas como o magnífico Cráter de Olga Novo.É ese un reencontro poético coa orixe? Non é preciso ir a buscalo, está, de certo, na miña orixe. Crieime na terra e eses son os meus referentes fundamentais, como no caso de Olga Novo. Aparecen xa no meu primeiro poemario aínda que ao mellor neste está máis depurado. A ligazón á terra é inevitábel, a sega da herba, poño por caso, está presente. Podes enmarcar certos poemas en escenas mínimas, cotiás, relacionadas coa terra, que é unha parte fundamental do poemario. -Conxuga entón vivencias e xenealoxía, é dicir, experiencia persoal e recuperación das mulleres que a precederon? Crieime na terra e os referentes son naturais, próximos. Nalgúns casos si que hai unha parte de recolección da xenealoxía pero outra son vivencias directas. Como no caso de Olga que tamén vive a terra e o eros, nesa combinación dun equilibrio total. Cada poeta bebe dos seus referentes e eu estou marcada por completo pola terra. No primeiro libro había unha intención de recuperar certas cousas que sentía que podían extinguirse e había premura por non esquecer. Agora están aí porque aparecen así na miña vida, non son algo artificial, non falo de arqueoloxía, é algo que experimentei. O meu imaxinario poético non ten unha tendencia urbana porque eu cheguei máis tarde á cidade e viña tatuada da terra. Olalla Cociña, da que me sinto próxima, tamén tira da terra. -Desde 2009 no que publica O pouso do fume (Espiral Maior), alén de O Peizoque Roque (Galaxia) para público infantil, non volve publicar. O mundo editorial está pechado para a poesía? Neste caso din por fechado o poemario hai relativamente pouco. Paso moito tempo cos poemarios, pero si que é certo que a situación é terríbel. As circunstancias son tremendas e ao pulsar a opinión outros poetas de que para publicar parece que pedimos esmola. As editoriais pasan por momentos difíciles e compre buscar novas vías. A autoedicións será un camiño que cada vez cobrará máis forza e tamén pequenas editoriais con proxectos arriscados. Mais son optimista porque creo profundamente na calidade da poesía galega. -Ten blog e páxina web, é a maneira de se achegar ao público lector? Unha das maneiras é a edición dixital, a xente que publica directamente. Estamos a vivir un cambio de formato. Nese sentido síntome unha muller do meu tempo e gosto de estar en contacto coa xente que se interesa do que fago e recibir o seu feedback. -Vostede realizou unha tese sobre a poeta Alejandra Pizarnik, unha muller fascinante e unha poeta reveladora Queda pegada na súa obra? Alejandra é, de certo, un personaxe fascinante mais eu o escollo pola calidade da súa obra. Non me interesaba unha tese na que a obra é un exemplo da vida. A obra tiña un valor intrínseco, potentísimo. Caín rendida ante o personaxe, interesante, intensa e conmovedora pero pola calidade da súa obra e porque traballa o silencio como poucas autoras o fai. Deixa en min unha pegada profunda. Levou ao extremo a capacidade da linguaxe. Esgotouna até esgotarse ela. É un referente fundamental na miña obra e na miña procura poética. Botei case oito anos dedicada á tese e como poética é a que máis me marcou, alén doutros referentes. -Cales son esas outras marcas da súa literatura? Neste poemario unha presenza forte é a de Eva Veiga, unha poeta extraordinaria, que acaba de gañar o Fiz Vergara. Pero hai tamén outros nomes como Gonzalo Hermo, Lorenzo Baleirón, Olga Novo ou Chus Pato e tantas outras como Yolanda Castaño e Enma Couceiro... -Maiormente literatura de mulleres? É inevitábel no meu camiño. É unha cuestión de necesidade para min. É importante visibilizar o traballo poético das mulleres. -Tamén publicou o Peizoque Roque, para crianzas, como é esa experiencia? Teño dous pequenos e nun momento determinado Francisco Castro convidoume púxenme e escribín durante un ano. Saíu O Peizoque Roque, que para min é unha delicia porque atopo un público moi agradecido. Teño a fortuna de que me chamen de moitos centros nos que é unha marabilla ver como traballan a miña obra. Para os nenos a poesía é o estado natural, e pregúntome constantemente en que momento iso se trunca. É marabilloso traballar xogando con esa condición.
NOS_53381
O PSdeG asegura que as persoas maiores e as zonas rurais son as máis afectadas por esta situación e suxire a posíbel ilegalidade de aplicacións de pago para solicitar atención. "A privatización do PP chega tamén a servizos auxiliares que pagan os usuarios", di Acuña.
O PSOE galego alerta da "perda de accesibilidade" dos sistemas para pedir cita previa no Servizo Galego de Saúde (Sergas), especialmente aqueles utilizados por persoas maiores e veciñ@s de zonas rurais e advirte da posible ilegalidade das funcións de pago existentes e avaladas desde a Xunta. Segundo a portavoz de sanidade d@s socialistas no Parlamento galego, Carmen Acuña, a consecuencia desta situación, "existen a día de hoxe operativas varias aplicacións de móbil, privadas e de pago, que garanten aos usuarios axilizar os trámites para pedir cita previa". "Á marxe da posible ilegalidade deste tipo de ferramentas, que utilizan os logotipos do Sergas", lamentou que "o modelo privatizador do PP provoque incluso outro tipo de privatizacións auxiliares, sempre con custos que teñen que soportar os usuarios".
NOS_26571
As secretarías de Igualdade e Muller dos principais sindicatos acolleron o anuncio da Xunta con escepticismo e, aínda que "a priori" ven beneficiosa a gratuidade nas escolas infantís
O sector das escolas infantís considera que a gratuidade destes centros anunciada pola Xunta para o próximo curso "igualará máis" o acceso de nenos de distintos niveis socioeconómicos aos mesmos, mentres os principais sindicatos avogan por un reforzo da rede pública. O vicepresidente da Asociación Galega de Escolas Infantís (Agadei), Fernando Rolán, celebrou a futura aplicación desta medida, que se estenderá a centros públicos, privados e de iniciativa social, así como municipais de concellos que estean ao día nos seus pagos ao Consorcio Galego de Igualdade de Benestar -os únicos con débedas son Vigo, A Coruña e Betanzos. Precisamente, sinala que a Galiza é "unha das comunidades con maior taxa de escolarización" na etapa de 0 a 3 anos, onde alcanza o 42,9%, segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE). Deste xeito, prevé que se poderá "igualar máis" o acceso ás escolas infantís de nenos en distintas situacións socioeconómicas, así como favorecer a "liberdade de elección" de centros. Precisamente, indica que existen familias que non conseguen prazas en centros públicos pero non acceden aos privados polo custo que comportan. Con todo, recalca que estes últimos "non están cheos", polo que a rede de escolas infantís da Galiza será "suficiente" para atender a demanda aínda que esta increméntese debido ao anuncio do Goberno galego. Rolán tamén confía en que o método de pago fraccionado vixente para custear a gratuidade das prazas a partir do segundo fillo se modifique cando esta se estenda a todos os alumnos. En canto ao custo da medida para a administración, remarca que o beneficio que comporta "será maior" e permitirá que "desaparezan as prazas concertadas", o que suporá que o aumento do gasto "non sexa tan elevado" como se prevé. As secretarías de Igualdade e Muller dos principais sindicatos acolleron o anuncio da Xunta con escepticismo e, aínda que "a priori" ven beneficiosa a gratuidade nas escolas infantís, cuestionan que non se faga unha aposta para reforzar a rede pública destes centros. Escepticismo dos sindicatos As secretarías de Igualdade e Muller dos principais sindicatos acolleron o anuncio da Xunta con escepticismo e, aínda que "a priori" ven beneficiosa a gratuidade nas escolas infantís, cuestionan que non se faga unha aposta para reforzar a rede pública destes centros. Así, Marga Curral, da CIG, critica que a medida exposta inclúa a subvención de prazas privadas ou concertadas "no canto de aumentar as prazas públicas e mellorar a situación laboral do persoal destas escolas". "Precisamente o feito de que se estenda a gratuidade ás escolas privadas reflicte que non hai suficientes prazas públicas", lamenta, mentres denuncia a "paralización" no proceso de expansión dos centros 'Galiña Azul'. A CIG avisa así de que, se a Xunta busca "vender" a medida como unha ferramenta de conciliación para axudar ás familias, "debe lembrar que a conciliación non é só necesaria de 0 a 3 anos". Mamen Sabio, secretaria de Muller e Igualdade de CC.OO. na Galiza, aplaude o anuncio, pero matiza que "haberá que ver como se traduce e con que recursos" porque "a oferta pública de prazas é claramente insuficiente". Ademais, recalca que estas accións deben "acompañarse" por políticas que favorezan a corresponsabilidade en empresas. Trinidad Campos, secretaria de Igualdade de UXT Galiza, recibe con cautela o anuncio, e lembra que estas iniciativas deben abordarse na mesa de diálogo social, no ámbito da corresponsabilidade e os servizos sociais. En todo caso, buscará coñecer "como se vai a configurar o servizo", e reclama un enfoque "público e de calidade" complementado con outras medidas sociolaborais. Ámbito rural A presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) de Galiza, Verónica Marcos, apunta que a gratuidade das escolas infantís "é unha boa medida", aínda que "pensada máis para o ámbito urbano". Respecto diso, lembra que, en xeral, "faltan escolas para nenos de 0 a 3 anos" e, en zonas do rural, esa carencia acentúase, xa que apenas hai centros en localidades de menos de 2.000 habitantes. Marcos valora proxectos como as 'casas niño', aínda que "dependen da iniciativa privada" e conclúe que "está ben" que as escolas infantís sexan gratuítas, "pero o que debería haber son máis escolas". Tamén o vicepresidente de Agadei cre que a iniciativa das 'casas niño' "funciona ben e ten que potenciarse", pero remarca que a maior parte destes centros sitúanse no ámbito urbano porque é onde se rexistra a demanda. A etapa de 0 a 3 anos "é a máis importante do desenvolvemento" e é fundamental "coidala" dada a súa faceta "preventiva", ao permitir a detección precoz de problemas. Sobre ese punto, aposta por incrementar recursos e equipos de Atención Temperá. "Imprescindíbel e moi rendíbel para o sistema" O psicólogo José Cardama, do gabinete vigués ARCA, ve a gratuidade do servizo "imprescindíbel" e "moi rendíbel para o sistema". De feito, insiste en que a etapa de 0 a 3 anos "é a máis importante do desenvolvemento" e é fundamental "coidala" dada a súa faceta "preventiva", ao permitir a detección precoz de problemas. Sobre ese punto, aposta por incrementar recursos e equipos de Atención Temperá. Tamén asegura que "non debería haber un problema de oferta" aínda que se incremente a demanda, posto que, á marxe das escolas públicas, as privadas "irán aparecendo alí onde sexan necesarias". "O problema será se hai demanda", puntualiza, á vez que alerta de que "cada vez hai menos nenos". Así mesmo, advirte sobre a hipótese de que o anuncio do Goberno galego leve aparellados cambios no sistema, como a posíbel incorporación dos nenos de 2 anos á etapa de educación infantil nos colexios, o que "sería un erro tremendo". Este experto explica que é fundamental que os nenos de 3 anos se manteñan nas escolas infantís, un ámbito máis reducido e cunha atención máis especializada e enfocada ao seu desenvolvemento. Pola súa banda, o presidente da Asociación Mundial de Educadores Infantiles (AME-WAECE), Juan Sánchez, ve "moi importante" a aposta pola gratuidade da atención a nenos de 0 a 3 anos, pero entende que debe limitarse ás escolas infantís dado que dispoñen de "instalacións e profesionais adecuados". Adicionalmente, avisa de que algúns colexios permiten a inscrición desde os 2 anos a pesar de que, na súa opinión, "non son adecuados" dada a etapa de desenvolvemento na que se atopan os menores a esa idade e as instalacións que precisan. Máis aló da faceta asistencial Neste sentido, José Cardama apunta que as escolas infantís "demostraron" que a súa atención "vai moito máis aló da faceta asistencial e do coidado", e forma parte da educación. Por iso, reivindica a importancia destes centros nun contexto con "cada vez menos nenos" e no que, debido á pandemia e á permanencia dos menores nas súas casas, incrementáronse os problemas de desenvolvemento vinculados sobre todo á linguaxe e a comunicación. Ademais, a vogal da sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía da Galiza Nuria Lago considera que a atención en escolas infantís "non está rifada" con outros centros como as ludotecas, que favorecen a "conciliación". Con todo, avoga por un acceso "universal" ás primeiras dado que na etapa de 0 a 3 anos "séntanse as bases do posterior desenvolvemento a todos os niveis" dos nenos, que deben "estimularse e acompañarse" desde todos os ámbitos. A pesar de que "non hai un momento ideal" no que se deba comezar a integración nunha escola infantil, defende que debe ser "progresiva" e "sostida no tempo". No entanto, esta psicóloga educativa avisa de que os beneficios destes centros poden "ser menores" se unha aula conta con "unha gran cantidade de nenos de diferentes idades" ou esta está "saturada".
NOS_2040
O Goberno español enviará máis armamento a Ucraína.
O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, anunciou esta quinta feira que enviará máis armamento a Ucraína "nos próximos días". Así o dixo no mesmo día en decorreu en Bruxelas a cimeira da OTAN na que se reuniron dirixentes dos Estados membros da Alianza. Na xuntanza acordouse o envío de catro batallóns de combate ao leste de Europa: Romanía, Hungría, Eslovaquia e Bulgaria, co que se duplica o despregue de batallóns (até o de agora eran catro os despregados entre Polonia, Estonia, Letonia e Lituania). Aliás, na cimeira, Polonia propuxo o despregue de "tropas de paz" da Alianza en territorio ucraíno. Unha proposta que era descartada pola propia OTAN até esta quinta feira, co gallo de evitar un enfrontamento directo con Rusia. A plataforma Galiza pola Paz condena a "intervención militar rusa" e critica a UE, a OTAN e os EUA A formulación do Goberno de Polonia non tardou en xerar reaccións. "Varsovia embarcouse nunha perigosa escalada na rexión, que non procede de intereses nacionais, senón no marco das directrices da OTAN", indicou o Ministerio de Exteriores de Rusia. O presidente de Bielorrusia, Alexander Lukashenko, declarou que a posta en marcha do operativo militar da OTAN no territorio ucraíno significaría o inicio "da III Guerra Mundial". Joe Biden, presidente dos Estados Unidos de América, afirmou que a OTAN responderá se Rusia usa armas químicas. "Responderiamos se as usan, a natureza das respostas depende da natureza do uso". A tensión tamén se fixo notar nas relacións diplomáticas entre Rusia e os EUA. Nesta semana, os EUA expulsaron 12 persoas da misión rusa ante a ONU. Unha situación á que Rusia contestou coa expulsión de varios diplomáticos estadounidenses. Ademais, a portavoz de Asuntos Exteriores de Rusia, Maria Zajarova, sinalou que "a guerra económica declarada" polos EUA a Moscova "ameaza con colapsar" as relacións bilaterais. Rusia deixará de participar no Consello de Europa polo "abuso" dos países de UE e OTAN A Unión Europea tivo esta quinta feira unha reunión para abordar as posibilidade de impor novas sancións económicas a Rusia, mais as posicións dos Estados están divididas ao respecto. "As sancións deben ter un impacto maior en Rusia que ao lado europeo, non estamos en guerra contra nós mesmos", avisou o primeiro ministro belga, o liberal Alexander de Croo. Unha posición que atopou versións enfrontadas. A presidenta finlandesa, Sanna Marin, afirmou que "mentres se compre enerxía a Rusia estaremos financiando a guerra".
NOS_58382
A Cámara lexislativa deu luz verde ao instrumento xurídico que dará cobertura legal ao referendo do 9 de Novembro.
Con 106 votos a favor e tan só 28 en contra o Parlament de Catalunya aprobou esta sexta feira (18 de setembro) a Lei de consultas que derá cobertura legal ao referendo do vindeiro 9 de novembro. CiU, ERC, CUP, ICV, PSC e o deputado non adscrito Joan Ignasi Elena apoiaron co seu sufraxio este instrumento legal. En fronte, @s 28 parlamentares do Partido Popular e Ciutadans. Ás portas do Parlament concentráronse centos de persoas convocadas pola Assemblea Nacional Catalana para transmitir o apoio popular á convocatoria do referendo de autodeterminación e á aprobación da nova lei. A norma aprobada desprega as competencias exclusivas recollidas no Estatut catalán en materia de consultas e participación social. Neste senso, a lei regula o procedemento de convocatoria de consultas non referendarias e outros sistemas de participación. Imaxe @vplana_catradio Así é que o texto legal capacita ao Govern da Generalitat a convocar consultas de ámbito nacional ou local e tamén sectorial para aqueles asuntos referidos ás competencias da institución. Através desta fórmula o obxectivo das forzas independentistas é regatear os atrancos xurídicos do marco español que reserva para o Goberno central a competencia exclusiva á hora de convocar referendos. Segundo a imprensa española, o executivo de Mariano Rajoy xa ten todo preparado para recorrer perante o Tribunal Constitucional a propia lei de consultas mais tamén, o decreto de convocatoria do referendo que podería asinar o president da Generalitat, Artur Mas, nos vindeiros días. As forzas unionistas, a comezar polo Partido Popular de Alicia Sánchez Camacho, tildou o texto lexislativo aprobado como "ilegal" e aseguran que o "Goberno de España vai garantir que se cumpra o Estado de Dereito". Imaxe capa: Vilaweb.cat
NOS_38357
Como no título do clásico filme de Julie Andrews, a derradeira xornada da primeira fase da Segunda B deixou alegría total en Vigo, pois o Celta B pelexará por subir á categoría de prata, e desolación en Ferrol e na Coruña, que non conseguiron acompañar os celestes e só lles queda loitar por evitar o descenso á nova Segunda RFEF.
A derradeira xornada da primeira fase do grupo galego chegaba coa enorme expectación das até 81 combinacións posíbeis froito da enorme igualdade imperante na categoría de bronce, mais, como adoita acontecer, a lóxica e a matemática acabaron por imporse e o Celta B fixo boa a súa condición de favorito para obter a clasificación para a fase de ascenso. A celeste era a única escuadra do país que dependía de si mesma, precisando tan só dunha vitoria ante os seus veciños do Coruxo, que a pesar da diferenza na táboa clasificatoria non llo puxo nada fácil. De feito, os de Míchel Alonso adiantáronse cun gol de Moha, pero Markel e Íker Losada déronlle a volta ao partido (2-1), asegurando así a súa presenza a tempada que vén na Primeira RFEF, no caso de que non consiga o ascenso a Segunda División que se disputará con Burgos, Cultural Leonesa e Valladolid Promesas, ademais de con Unionistas e Zamora, segundo e terceiro clasificado no grupo 1-A despois do filial vigués. Precisamente os zamoranos, que chegaban como líderes a esta última xornada, caeron en Riazor cun Deportivo (2-0) que fixo o seu traballo, pero que dependía dun tropezo do Celta B ou do Unionistas ante o Rácing de Ferrol que nunca se produciu. O técnico deportivista, Rubén de la Barrera, recoñeceu despois do partido a súa "decepción", pero tamén definiu a segunda fase, na que os branquiazuis competirán con Numancia, Langreo, Marino de Luanco, Rácing e Compostela por non descender á cuarta categoría do fútbol a nivel estatal, a Segunda RFEF. Os Diaños Verdes apenas tiveron opcións ante os charros de Unionistas (1-1), mesmo resultado que obtivo o Compos ante o Salamanca, nun encontro no que estiveron lastrados por un tempraneiro gol de Camacho encaixado no minuto 7. Finalmente, o Coruxo estará acompañado na rolda por evitar caer no pozo da Terceira División -que será a quinta categoría- polo Pontevedra, que despediu a primeira fase cunha derrota ante o Guixuelo, fechacancelas da Liga. Outro 'cero' para Luís César Como o Pontevedra, o Lugo tamén caeu ante o último clasificado, o Sabadell. Os albivermellos, que continúan sen coñecer a vitoria no cuarto partido de Luís César á fronte do equipo, quedan con tan só cinco puntos de marxe sobre o descenso.
NOS_14117
Por treitos horarios, o prezo máximo da luz para esta cuarta feira darase entre as 21 e as 22 horas, con 356,99 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 222,17 euros/MWh, rexistrouse entre as 4 e as 5 horas.
O prezo medio da electricidade no mercado maiorista sitúase esta cuarta feira nos 274,44 euros o megawatt/hora (euros/MWh) —incluíndo os custos de comercialización, peaxes e outros cargos, isto é, o prezo real sobre a factura—, segundo os datos publicados no día de hoxe por Rede Eléctrica de España. Por treitos horarios, o prezo máximo da luz para esta cuarta feira darase entre as 21 e as 22 horas, con 356,99 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 222,17 euros/MWh, rexistrouse entre as 4 e as 5 horas. Esta cuarta feira o prezo medio do 'pool' —prezo base que negocian as compañías produtoras e comercializadoras de enerxía— é de 194,86 euros/MWh, segundo datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). 2021 fechou como o ano máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros/MWh debido á espiral alcista rexistrada no 'pool' no segundo semestre. En comparación con hai xusto un ano, o prezo do 'pool' para esta cuarta feira será 150,9% superior aos 77,65 euros/MWh do 16 de maio de 2021. Por outra parte, o prezo medio do mes de abril foi de 191,52 euros/MWh, case 90 euros por baixo de marzo, que deixou o rexistro máis elevado da historia (283,3 euros/MWh).
NOS_267
ERC leva á comisión de mixta de seguridade unha proposta co fin de que se recoñeza a problemática do terrorismo de extrema dereita e se destinen fondos para o combater. A Europol informa de até seis atentados cometidos ou en grao de tentativa na UE en 2019 e de ataques contra poboación inmigrante.
A Comisión Mixta de Seguridade, composta por membros do Congreso e do Senado, debaterá mañá unha proposición non de lei de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) para que a persecución da violencia da extrema dereita se integre na estratexia de seguridade do Estado. A proposición defendida polo grupo republicano propón que a "ameaza de proliferación da ideoloxía do odio e a súa organización en grupos, partidos e ONG, proferida por grupos de extrema dereita, racistas, neofascistas, neonazis e supremacistas brancos" se integre dentro do eido da loita antiterrorista. O 6 de outubro o Consello de Seguridade aprobou un acordo para desenvolver a Estratexia de Seguridade 2021, na que se inclúe esta proposta. Outra das accións que integra esta proposición non de lei é instar os organismos e institucións internacionais a declarar a ameaza vencellada á extrema dereita e ás organizacións que a sosteñen como "moi alarmante", polo que solicitan que se destinen recursos dabondo para a súa persecución e condena. O partido catalán apunta que a expansión da violencia da extrema dereita en Europa chegou de maneira clara ao Estado e pon como exemplo as detencións recentes en Pobla de Cérvoles (Catalunya), Iruña (Nafarroa) e Ronda (Málaga) de varias persoas acusadas de difundir ideas racistas e de supremacía branca polas redes sociais, con contidos da Feuerkrieg División, un grupo que cometeu un atentado en Lituania en 2019. Na proposta detállase o impacto do terrorismo na UE provocado pola extrema dereita coa documentación do informe de Europol, orientado a analizar as tendencias na loita contra o terrorismo internacional. Só en 2019, último ano do que se teñen datos, a Europol contabilizou até seis atentados cometidos ou en grao de tentativa na UE, catro en Gran Bretaña, un en Lituania e outro en Polonia. A estes datos súmanse accións que a policía non considera terrorismo, como varios ataques a oratorios musulmáns en Francia.
NOS_52223
A decisión de destituir Paz Esteban e nomear Esperanza Casteleiro foi tomada tras coñecerse que Marlaska tería sido espiado. Expertos en ciberseguridade afirmaron no Parlamento da UE que NSO Group coñece as identidades das persoas espiadas.
A até o de agora secretaria de Estado de Defensa, Esperanza Casteleiro, foi nomeada esta terza feira nova directora do Centro de Intelixencia español (CNI) en substitución de Paz Esteban, destituída como consecuencia do escándalo de espionaxe con Pegasus. Grande-Marlaska, terceiro membro do Goberno estatal espiado por 'Pegasus' Casteleiro é unha persoa cunha longa traxectoria profesional no CNI, do que chegou a ser secretaria xeral, segundo lembrou esta terza feira a ministra de Defensa, Margarita Robles, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras que deu o visto e prace á substitución na cúpula de Intelixencia. Secretaria de Estado de Defensa desde xuño de 2020, goza da confianza de Robles, coa que chegou ao Ministerio de Defensa como directora de Gabinete. Casteleiro ingresou no CNI no ano 1983, ocupando até 2018 diversos postos en unidades centrais e no despregamento exterior —en Cuba e Portugal—, sempre no ámbito da Intelixencia. O 28 de setembro de 2004 foi nomeada secretaria xeral do CNI, cargo que ostentou até xuño de 2008. Poden espiarme a través do móbil? Así funciona 'Pegasus' e isto é o que precisas saber para evitalo Entre 2008 e 2014 ocupou novos destinos en unidades de Intelixencia no exterior e desde 2014 até a súa chegada a Defensa ocupaba a xefatura da Unidade de Intelixencia do CNI no Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado. Paz Esteban, destituída O Goberno español acordou a destitución da directora do CNI, Paz Esteban, como consecuencia do caso Pegasus e tras 39 anos de traballo nos servizos de Intelixencia. Esteban era a principal sinalada tras destaparse o informe de Citizen Lab sobre unha presunta espionaxe a máis de 60 políticos soberanistas co programa israelita. Aragonès e Sánchez acordan reunirse para abordar o caso da espionaxe con 'Pegasus' Ademais, o Goberno revelou a pasada semana que tamén foran extraídos datos mediante este programa dos teléfonos móbiles do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e da ministra de Defensa, Margarita Robles. Espionaxe a Marlaska O teléfono móbil de Fernando Grande-Marlaska, ministro do Interior do Goberno de España, tamén tería sido infectado co 'software' Pegasus en xuño de 2021. Segundo detallan fontes do Goberno de España, Marlaska entregou ao Centro Criptolóxico do Estado español, adscrito ao CNI, o único teléfono móbil que usa. Trátase dun teléfono con medidas de seguridade reforzadas que lle entregou -como ao resto de membros do Goberno- o Departamento de Seguridade Nacional, dependente do Ministerio de Presidencia. O ataque con Pegasus a Grande-Marlaska coincide no tempo co confirmado de forma oficial a Sánchez e Robles. A extracción de máis de 6 xigas de contido do teléfono móbil de Marlaska, produciuse entre o 7 e o 26 de xuño, coincidindo coas súas xestións pola crise pola entrada a Ceuta de miles de migrantes ante a pasividade de Marrocos, unha reunión co responsábel de Seguridade Nacional dos Estados Unidos de América e tamén coas súas declaracións a favor de "asumir riscos" nos indultos de representantes soberanistas con condenas polos sucesos do Procés català. No recoñecemento do seu teléfono móbil teríase usado un programa que se adquire á mesma empresa que Pegasus, NSO Group, e que serve para autoprotexerse dos ataques do propio programa da empresa israelita. O fabricante de 'Pegasus' sabería quen foi espiado Expertos en ciberseguridade sinalaron esta terza feira no Parlamento da Unión Europea que a empresa israelita de software NSO ten que ter coñecemento das persoas que foron obxectivo de espionaxe por parte do seu programa Pegasus, xa que algúns aspectos chave fanse a través do fabricante. No marco da comisión de investigación do Parlamento da UE sobre o programa de espionaxe, que se vende a Estados, o experto polaco de ciberseguridade Adam Haertle explicou que a capacidade de infectar os dispositivos contrólaa o fabricante, polo que a empresa de software podería contar con información de posíbeis obxectivos de espionaxe. "A información sobre se un dispositivo está dispoñíbel para ser infectado faise co coñecemento de NSO, polo que debería saber cales son as vítimas", argumentou Haertle na comisión.
NOS_35402
A xira galega do cantautor portugués en maio de 1972 levouno a actuar o día 8 en Ourense, o día 9 en Lugo e o día 10 en Compostela. As tres cidades lembran o paso da liberdade feita música na voz da revolución. Arturo Reguera acompañouno neses concertos e aqui partillamos a súa crónica.
O 8 de maio de 1972, ás 12 da mañá, estabamos Benedicto, Maite e eu agardando puntualmente na Librería Tanco de Ourense, aquela librería que a hospitalidade cultural e política do seu dono Carlos Vázquez convertía en casa de acollida para todas as boas causas.Eu estaba nunha impaciente espera, pois Benedicto e Maite xa estiveran na súa casa en Setúbal, pero eu non os coñecía persoalmente. Coñecía, e de non moito tempo, a súa música, que me entusiasmara, e pensar que o home capaz de cantar aquelas cousas ia logo aparecer en persoa, parecíame un soño, que de pronto se materializou ao apareceren as persoas que esperábamos, José Afonso e Zélia.Dicía Vinicius de Moraes que "a gente não faz amigos, reconhece-os", e iso foi o que aconteceu, pois aquel dia recoñecín un grande par de amigos.Logo de comer, ós músicos urxíalles ensaiar, pois Benedicto ia acompañar o Zeca á guitarra, e nunca tiñan tocado xuntos. Pediron hospitalidade ó escultor Acisclo Manzano e, na súa casa, puideron comezar unha colaboración musical que ia durar anos.O concerto foi no Ateneo de Ourense, e entre o público que enchía a sala, estaban o escritor Eduardo Blanco Amor, os artistas Acisclo, xa citado, e Xaime Quessada, e o médico Manuel Peña Rey, entre outros. O concerto correu moi ben, e ó fin todos aqueles amigos manifestáronnos a súa sorpresa por escoitar a aquele cantor tan bo e, para eles, tan descoñecido. Para máis detalles, pódese consultar o libro de memorias de Benedicto "Sonata de amigos" (Xerais, Vigo, 2008), tendo en conta que o Bene comete a pequena imprecisión de situar no día 9 o que realmente sucedeu o 8, e de aí salta para o 10 en Santiago, coméndose o concerto de Lugo.Ó dia seguinte, 9 de maio, por tanto, estábamos en Lugo para celebrar o segundo concerto da xira, esta vez no Círculo das Artes, no salón grande, que non estaba nin medio cheo porque a publicidade fora moi mala. O noso querido amigo Luís Macía "Papís", fora o encargado de facer a xestión no diario local El Progreso para que publicaran unha nota de anuncio para o acto, método gratuíto e normalmente suficiente para un acto cultural, pois na altura celebrábase tan pouca cousa que cando había algo asistía toda a xente que tiña un mínimo de interese por estas cousas. Pero aquel día El Progreso só publicou unha nota mínima e escondida, na que anunciaba un recital de música galaico-portuguesa, co que moita xente debeu de pensar que se trataba de música medieval. O resultado foi que a diferenza de Ourense, onde había unha sala mediana chea, en Lugo había un salón grande medio baldeiro. Con todo o concerto correu ben, a xente, como non podía ser de outra forma, tamén quedou encantada. Como curiosidade direi que foi a única vez que lle escoitei cantar en público a canción Menino d'oiro. Entre os asistentes estaba Xesús Alonso Montero, con quen logo iríamos cear, e que tamén aquí comezou unha fonda amizade co Zeca. ...comprendín por qué unha canción que nunca cantara en público sen embargo foina cantar a Santiago... E por fin o dia 10 estamos en Santiago, no Burgo das Nacións, daquela sede da Facultade de Económicas. Remito tamén agora para o libro do Benedicto, que fai unha detallada descrición do multitudinario recital, no que, como é sabido, por primeira vez o Zeca cantou "Grândola vila morena" en público. Só quero engadir dúas cousas: unha é que ó día seguinte viaxei co Zeca e a Zélia no seu coche para Portugal, e fun testemuña do entusiasmo con que o Zeca contaba o concerto de Santiago ós seus amigos de Lisboa e Setúbal. Nunca tiña vivido unha experiencia semellante. A outra é que no verán de 1973, estando eu de visita, acompañeinos a Melides, unha pequena vila costeira onde pretendían alugar unha casa para as vacacións, e por casualidade cadrou de pararmos a comer en Grândola. Mentres o resto da xente facía tertulia co café, o Zeca acenoume para irmos pasear, e fomos ver a sede da Sociedade Musical Fraternidade Operária Grandolense, naquela altura pechada pola PIDE (policía política), o lugar onde coñecera a xente que lle inspirou a canción (em cada esquina um amigo, em cada rosto igualdade...), e comprendín por qué unha canción que nunca cantara en público sen embargo foina cantar a Santiago: porque volveu a encontrar aquel ambiente de solidariedade e fraternidade que o inspiraran en Grândola, e que contribuíu de xeito decisivo para a profunda relación que axiña o ligou a Galicia e aos galegos.Aproveito a ocasión para aclarar unha lenda urbana que teño escoitado, referente ó disco Venham mais cinco, que comeza co dístico:A garrafa vaziade Manuel MariaSegundo este bulo é unha referencia a unha botella de augardente que lle regalara ó Zeca e ao equipo de músicos, de viaxe para gravar o disco, Manuel María Fernández Teixeiro, o poeta da Terra Chá. Pois ben, podo afirmar que en outubro de 1973, data de gravación do disco, e pouco máis dun ano despois de comezar a súa fecunda relación con Galicia, o Zeca e o Manuel María non se coñecían, e ignoro si se coñeceron máis tarde, pero ata o 25 de abril (de 1974), tiven o pracer e o privilexio de acompañar ó Zeca as tres veces que nese período visitou Galicia (esta de 1972, marzo do 73 e poucos días antes do 25 de abril), falamos horas e horas en longos paseos por Santiago, e nunca mencionou a Manuel María. Por outra parte, o avión de Lisboa a París, onde se gravou o disco, non facía escala en Monforte de Lemos...Para o Zeca "Manuel María", de ser unha referencia a unha persoa concreta, sería ao gran poeta setubalense do século XVIII Manuel María Barbosa du Bocage. Lembro que no meu primeiro viaxe a aquelas terras, non ben chegamos a Setúbal, en canto subimos a equipaxe, levoume a coñecer a casa do poeta sadino, por quen sentía unha grande admiración.
NOS_12322
María J. Bravo está imputada na 'Operación Patos' e Rogelio Martínez nunha causa de supostas irregularidades na xestión de fondos europeos.
Núñez Feijóo segue a tomar medidas coa vista postas nas vindeiras citas do calendario electoral. Se hai uns días anunciaba remodelación de varias Consellarías, esta quinta feira daba a coñecer o relevo dos delegados da Xunta en Vigo e Ourense, María José Bravo Bosch e Rogelio Martínez, ambos os dous imputados. O mandatario galego teimou esta quinta na súa intervención en suliñar que os dous ceses respondían a ceses a petición propia. Mais Bravo Bosch está imputada na 'Operación Patos' e Martínez en supostas irregularidades na xestión de fondos comunitarios cando era alcalde de Arnoia. Porén, o propio Feijóo admitiu na súa intervención que influiu a súa implicación en casos de corrupción. A delegación da Xunta en Vigo pasará ser asumida por López-Chaves, presidente das Autoridade Portuaria viguesa, ex-deputado do PP no Parlamento galego e coñecido, entre outras cuestións, por non dar palabra en galego nas súas intervencións. En Ourense, Marisol Díaz Mouteira será quen exerza o cargo de delegada da Xunta a partir de agora.
NOS_16027
O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, pensa que hai "argumentos de abondo" para declarar nulo o Expediente de Regulación de Emprego.
O presidente do comité de empresa da planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo), José Antonio Zan, amósase confiado en que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) tombe o ERE presentado pola multinacional, xa que teñen "argumentos de abondo" para que se declare nulo. Esta quinta feira, 3 de decembro, será cando o alto tribunal galego decida se acepta os argumentos da empresa para resolver favorabelmente este ERE, que afecta 524 traballadores, ou se pola contra invalida o mesmo. "Esperamos que se declare a nulidade, que isto abra unha nova vía e que Alcoa desista das súas intencións de despedir 1.000 persoas e devolver unha comarca a 1970. Queremos que sente a negociar co Goberno español e coa Xunta a saída a esta problemática", expresou Zan. O presidente do comité deduce que o fallo do TSXG "vai ser non só determinante para o futuro de Alcoa, senón para o futuro de toda a Mariña". "Estamos en mans duns xuíces que van ter que decidir sobre o futuro de toda a comarca. Por sorte temos argumentos suficientes para que se declare nulo o ERE e temos a razón, porque nos últimos tres anos temos o mellor prezo da enerxía", insistiu. Fábrica competitiva Neste contexto, Zan insistiu en que a factoría de San Cibrao (Cervo) non presenta "perdas", o cal bota por terra as intencións da dirección da compañía americana. "Agora mesmo non ten perdas. Noutros lugares do mundo están a empezar a arrincar plantas. En Noruega puxeron a andar unha fábrica que levaba 10 anos parada, co cal agora mesmo é unha escusa bastante barata e unha bobada", di. Nesta liña, Zan afirmou que "as plantas de aluminio e de alúmina son máis que competitivas nun período de incerteza, e agora mesmo que o período é de bonanza aínda son máis competitivas", concluíu.
NOS_6285
O monte comunal galego comeza a recoller sinaturas para poder defender no Parlamento da Galiza as vantaxes "dun ben común que temos todas as galegas e galegos, unha forma de posuír distinta".
As comunidades de montes galegas integradas na Organización Galega de Comunidades de Montes comezaron a pasada sexta feira a planificar a recollida das 10.000 sinaturas necesarias para avalar a ILP rexistrada no Parlamento galego por esta organización. As comunidades de montes piden o apoio da cidadanía para facilitar o debate e lograr unha lei que protexa os montes comunais galegos do espolio da industria madeireira. As Comunidades de Montes anuncian "resistencia" diante dos plans da Xunta Teñen de prazo até o 31 maio para recoller todos os apoios necesarios. Segundo avanza Xosé Alfredo Pereira a Nós Diario, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, axiña darán a coñecer o calendario de eventos nos que todas as persoas que teñen dereito ao voto na Galiza poderán colaborar coa súa sinatura. Agresións continuas A Organización galega de Comunidades de Montes denuncia que a Consellería de Medio Rural pretende, mediante os cambios lexislativos promovidos polo Partido Popular, que empresas forestais, madeireiras, eólicas ou mineiras poidan facerse coa xestión de montes veciñais e comunais. Unha ILP para protexer o monte veciñal A Iniciativa Lexislativa Popular presentada pola Orgaccmm tenta frear este "latrocinio dos montes veciñais". Neste sentido, un dos puntos principais da ILP é reforzar o carácter xermánico da titularidade veciñal, considerando a veciñanza como único requisito para ter a condición de veciña ou veciño comuneiro. "O que pretende o PP é que os montes veciñais entren no dereito romano e a partir de aí se poidan herdar, vender, dividir, embargar...", denuncia Pereira. Propiedade singular O que buscan coa súa proposta é que se recoñeza o monte veciñal como unha titularidade distinta, pero en pé de igualdade coas titularidades públicas e privadas. "Reclamamos unha fiscalidade axustada á figura do monte veciñal e ás súas funcións e que se recoñeza como un ben medioambiental e cultural". Recoñecemento da ONU ao monte comunal de Couso pola eliminación de eucaliptos e diversificación de usos A ILP recolle, ademais, outras demandas como a anulación das "usurpacións e ocupacións ilegais" e a defensa do monte comunal "como propiedade singular da Galiza que representa un ben común para toda a sociedade, multifuncional e sostíbel. É unha forma propia de posuír que temos os galegos e galegas". O futuro, en mans mans da veciñanza Neste sentido, Xosé Alfredo Pereiro lembra que representantes da ONU e da FAO insisten en que "a solución do forestal pasa porque as terras non estean acaparadas por unhas poucas mans e porque estean gobernadas polos seus titulares. Pois iso levámolo facendo na Galiza desde tempos inmemoriais e quérennolo segar", conclúe.
NOS_25478
Moita xente nova desbota a idea de dedicarse á vida no campo polo seu alto sacrificio. Na Galiza, as máis das veces trátase de explotacións pequenas que non dan unha grande marxe de beneficios, mais si unha enorme carga de traballo. Quen decide por propia vontade traballar no eido rural faino en boa parte dos casos a través de cooperativas ou na elaboración de produtos artesanais, non en explotacións tradicionais. Sermos Galiza fala con catro persoas que se incorporaron ao rural nos últimos anos. Eis un extracto da reportaxe, publicada no número 339 do semanario en papel.
Sonia Vidal viviu en Alemaña até os 16 anos. Filla de emigrantes e neta de retornados, até os oito anos creceu cos seus avós no campo; "aínda que non veño de familia gandeira nin agricultora", conta en conversa con Sermos Galiza. "Aos 16 anos decidín que o que me gustaba era vivir na Galiza e quería que o meu futuro fose aquí", di. Foi por iso que após uns anos traballando no sector téxtil e a súa parella na construción, cunha nena pequena e tras a chegada da crise, ambos decidiron abrir unha explotación gandeira extensiva no concello de Xunqueira de Ambía. "Comezamos cun par de vacas e fomos aumentando as cabezas segundo as nosas posibilidades", explica, "intentamos facer venda directa, a día de hoxe un 30-40% das nosas vendas son nesa modalidade". Ademais, contan tamén cunha granxa de pavos en franquía con Coren, "para termos certa estabilidade", engade. Esta mudanza de profesión e estilo de vida foi motivada polas posibilidades de conciliación e cambio de ritmo do rural fronte o urbano. "Queríamos compartir máis tempo coa nosa filla, e coa segunda, que xa naceu aquí", di Vidal, "evitar grandes desprazamentos ao lugar de traballo e un horario que só nos permitía velas polas noites". Tamén, poder recuperar os espazos, que lembraban moi diferentes, da súa infancia, "podermos recuperar monte abandonado que comían as silvas, termos as terras labradas". É por iso que contan ademais cun contrato de recuperación do territorio co concello limítrofe de Allariz. Posúen oito bois que coidan até o cebo. Respecto ás súas fillas, de nove e seis anos, relata Sonia Vidal que "non se pechan na casa polas tardes ao volver do colexio". "E certo que o noso é un traballo de luns a domingo, sen un só festivo, mais compartimos tempo doutro modo. Veñen cambiar o gando con nós, ven como nacen os becerros, van inculcadas doutra maneira". Fala tamén de que nisto inflúe moito a vida diaria coas veciñas e veciños. "Se un día chove moito, en vez de vir comigo, quedan coa veciña", di, mentres explica que os servizos na vila son "mínimos ou practicamente nulos", polo que fomentan outras formas de ter eses servizos. "Facemos vida en comunidade. É enriquecedor para as miñas fillas e para as persoas maiores ese intercambio de sabedoría. E ao mellor, a cambio, eu logo outro día vou axudarlles a sementar as patacas". Preguntada polas dificultades, Vidal quéixase sobre a excesiva burocracia. "Impídeche facer moitas cousas", expón, "só apoian os macroproxectos. Cando nós abrimos a granxa de pavos en intensiva, puxeron todas as facilidades. Porén, para o gando en extensivo, todo foron trabas". É por iso que pide máis facilidades para as pequenas explotacións familiares, que implican moitas máis tarefas que a propia actividade económica. [Podes ler a información íntegra no número 339 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
NOS_52301
"O galeguismo que flúe" foi o lema elixido por Compromiso por Galicia para celebrar o Día da Patria Galega cunha ofrenda floral no Panteón dos Galegos Ilustres e cun xantar e mais un acto político en que se reivindicou a "unidade de acción".
Compromiso por Galicia conmemorou o Día da Patria Galega coa tradicional ofrenda floral no Panteón dos Galegos Ilustres. Un roteiro polo "Santiago galeguista" deu paso ao xantar e acto político no parque de Eugenio Granell, desde onde Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral da organización política, reclamou "unha unidade de acción pola nación galega". O galeguista pronunciou o seu discurso perante un cento de militantes e simpatizantes do partido político, que estivo arroupado por Mireia Zárrate e Joseba Aurrecoetxea, do PNV, por Jordi Xuclá de PDCat e por Amélia Ribeiro, do Partido Demócrata Republicano do Portugal. Piñeiro referiuse aos resultados nas últimas citas electorais como "unha forte hemorraxia" e cualificounos como "malos para Compromiso e tamén para Galicia". "Mais non nos rendemos na acción política galeguista, toca seguir traballando, toca perseverar e renovar o votos para con Galicia, ese é o senso desta festa", sinalou. Nesta liña, o secretario xeral de CxG apostou nunha "Galicia mellor no social e forte no económico", "nunha Galicia con autogoberno e con políticos ao servizo da xente e non dos partidos". Criticou BNG e En Marea por non asinar un acordo con Compromiso nas eleccións estatais e avogou por seguir "loitando por unha nación referente no ecolóxico e na igualdade, como xa foi a cultura castrexa". "Unha opción de maiorías sen dogmas e sen que o peso ideolóxico sexa prioritario. Cómpre unha unidade de acción pola nación galega, imos traballar iso", salientou. Antes de concluír, cargou contra o PSOE, a quen acusou de ser "centralistas sen complexos" e contra "a súa muleta", que "terá que explicar o 155 e 135 da Constitución". Rematou chamando a "renovar os votos con responsabilidade e traballo para ocupar o espazo que nos corresponde".
PRAZA_5876
O pasado 7 de xuño Cadernos de Comunicación e Análise, xornal dixital lanzado hai catro anos e centrado nas información sobre e para a diáspora galega, anunciaba o seu peche. Falamos con Fran Alvedro e Silvio Falcón sobre os motivos, e sobre o futuro da publicación.
O pasado 7 de xuño Cadernos de Comunicación e Análise, xornal dixital lanzado hai catro anos e centrado nas información sobre e para a diáspora galega, anunciaba o seu peche. Nun comunicado de despedida os seus responsables sinalaban que o xornal buscara "converterse nunha iniciativa aberta que pretendía achegarse a toda a comunidade de galegos alí onde estivesen, na crenza de que a nación galega é universal" e destacaban que "como punto de encontro dos emigrantes galegos no mundo, Cadernos chegou a ser un medio de referencia na Galiza exterior". Con todo, explicaban que a pesar dese "prestixio" acadado, Cadernos "sempre foi un medio deficitario en apoios e colaboracións" e que "desgrazadamente, a nosa publicación non chegou a ilusionar o suficiente para que o espazo socio-político no que estabamos situados chegara a confiar en nós". Neste comunicado, os responsables do medio dicían que "non fomos quen de crear un produto de calidade suficiente para unha audiencia saturada de contidos", pero tamén criticaban "a deslealdade dalgún medio dixital do país" ou "a falta de respecto de todos os partidos políticos". En definitiva, anunciaban o peche, por "esgotamento" e pola necesidade de "repensar o proxecto". Falamos con dous dos seus responsables, Fran Alvedro (residente do Reino Unido) e Silvio Falcón (en Catalunya). sobre as razóns desta decisión e polo futuro da publicación. "Non nos foi posible por tres razóns: a falta de apoios por parte de axentes políticos ou grupos de comunicación, o difícil panorama dos medios de comunicación en lingua galega e a limitación de medios dos que dispuñamos" Por que pecha Cadernos? Fran Alvedro: Tentouse todo. Cadernos tivo a ambición de tentar ser máis orixinal, de tratar temas máis complexos e incluso de atopar colaboracións aos dos lados do Atlántico. Cando comezamos este proxecto a idea era ir medrando coa propia actividade exterior, pero sobre todo coa reacción positiva dos galegos que residen no país. Nos documentos fundacionais de Cadernos de Comunicación o prantexabamos do seguinte xeito: somos parte do problema e queremos ser parte da solución. Non nos foi posible por tres razóns: a falta de apoios por parte de axentes políticos ou grupos de comunicación, o difícil panorama dos medios de comunicación en lingua galega e a limitación de medios dos que dispuñamos. Aínda así, Cadernos marcha coa maior parte dos seus obxectivos cumpridos. "O feedback sorprendeunos, certamente. A xente agradeceu a creación do proxecto e nun primeiro momento vímonos con ganas de ampliar constantemente o proxecto asociativo" Como era a recepción e o feedback que recibiades dos galegos e galegas no exterior? F.A.: O feedback sorprendeunos, certamente. A xente agradeceu a creación do proxecto e nun primeiro momento vímonos con ganas de ampliar constantemente o proxecto asociativo que deu lugar a Cadernos. Máis tarde, a extremada dependencia da implicación individual da xente que participaba do proxecto foi xustamente un dos motivos para pechar. En calquera caso, a relación con galegos do Reino Unido, Uruguai, Cataluña, Andorra, Arxentina ou Alemaña foi fluída. Quixemos servir desde o primeiro día de elemento de conexión de todas esas comunidades e tamén de altofalante das súas actividades. Fomos dos primeiros en denunciar o fenómeno da nova diáspora galega, afondando no fenómeno e propoñendo alternativas e denunciando aos responsábeis políticos. Credes que Galicia e os medios galegos emprestan a atención que deberían á súa diáspora (á que existiu sempre e á nova)? Silvio Falcón: Non, pero cada vez danlle máis atención. No que nós discrepamos é no tratamento. Historicamente falouse da emigración en terceira persoa e nós aspirabamos a facer protagonistas a aqueles individuos con inquedanzas que, por razóns múltiples, residían fora do país. Este obxectivo cumpriuse de xeito parcial, pois é certo que nestes anos o tratamento informativo mellorou moito na maioría de medios do país, sobre todo no tocante aos dixitais en galego. "Historicamente falouse da emigración en terceira persoa e nós aspirabamos a facer protagonistas a aqueles individuos con inquedanzas que, por razóns múltiples, residían fora do país" Credes que se desaproveitan oportunidades neste campo? F.A.: Sen dúbida. A maioría de países coidan as súas comunidades nacionais no exterior. Nós non temos as ferramentas dun Estado, pero coa cantidade de galegos que hai por aí adiante certamente temos un potencial difícil de igualar, especialmente no Estado, nalgúns países de Europa e en América. É preciso un impulso público ás actividades da diáspora que non sexan necesariamente culturais ou folclóricas, pero si que se relacionen coa nosa terra. "É preciso un impulso público ás actividades da diáspora que non sexan necesariamente culturais ou folclóricas, pero si que se relacionen coa nosa terra" Outros territorios manteñen unha mellor comunicación coas súas comunidades emigrantes? S.F.: Catalunya dispón de delegacións exteriores que, na práctica, acollen as actividades dos seus Casals (equivalente aos Centros Galegos). A implicación pública é necesaria para guiar, acompañar e fomentar a actividade e a paradiplomacia dos galegos no mundo. Seguides con ganas de vos embarcar nalgún proxecto semellante a Cadernos, se percibísedes un mellor contexto para o seu desenvolvemento? F.A.: O panorama certamente non convida a iso. Marchamos moi orgullosos do traballo feito en Cadernos de Comunicación pero pensamos que no mundo da comunicación o noso espazo era demasiado pequeno para continuar á existir. O que si é certo é que nas raíces de Cadernos a xente do grupo promotor falaramos de crear unha especie de think tank, con vontade de influír, coordinando o pensamento da experiencia da diáspora. Non sería moi útil coñecer as experiencias lexislativas de países terceiros, onde hai galegos que desenvolven tarefas moi importantes? Na actualidade, estamos estudando a fondo as implicacións legais, técnicas e estruturais de acometer un proxecto dese tipo. "Nas raíces de Cadernos a xente do grupo promotor falaramos de crear unha especie de think tank, con vontade de influír, coordinando o pensamento da experiencia da diáspora" Mudaríades algo nese hipotético proxecto con respecto a Cadernos? En que temas ou seccións credes que debe incidir un medio deste tipo? S.F.: É difícil de afirmar. Reflexionaremos sobre as nosas alternativas e decidiremos. Se tivéramos que cambiar algún aspecto sería xustamente a interacción coa xente: precisariamos implicación desde o minuto cero, un equipo máis grande e uns obxectivos a curto prazo moito máis definidos. O noso camiño non vai na dirección de crear outro medio; no caso de facelo sempre sería coa marca de Cadernos, que pensamos que foi útil e conseguiu ser recoñecida polo público galego na rede. Pensaremos que facer e como evoluciona a crise económica e a realidade no Exterior. A nosa idea é non poñernos prazos, pero estamos abertos e convidamos a calquera que queira sumarse a reflexionar con nós.
NOS_55005
Compromiso realizou un acto público en Dodro con tod@s @s integrantes das súas candidaturas. A coalición EU – Anova propuxo unha Lei de transparencia en reacción ao caso "Pokemon".
Logo de celebrar esta semana as súas xornadas programáticas, malia que inda non se coñece o seu programa cara o 21-O, Compromiso por Galicia presentou publicamente @s 75 candidat@s cos que concorrerá ás vindeiras eleccións galegas. O acto desenvolveuse este sábado no Pazo de Lestrove, no concello de Dodro, onde se deron cita tod@s @s integrantes das candidaturas de CxG. AGE propón unha Lei de transparencia A cabalo do balbordo que xerou o caso "Pokemon" a Alternativa Galega de Esquerda fixo pública a súa intención de propor unha Lei de Transparencia. Con esa proposta a coalición de Esquerda Unida e Anova quere permitir que a cidadanía teña acceso aos expedientes de contratación e subvencións. Para velar polo cumprimento das medidas recollidas nesa lei proporán ademais a creación no Parlamento galego dunha "comisión de transparencia" presidida pola oposición.
NOS_25096
Os consultores externos presentaron as súas auditorías sobre as necesidades da banca española para se sanear.
As auditorías de Berger e Wyman fixan até 62.000 millóns de euros a cantidade quer precisa a banca española e dan así a cantidade que o goberno empregará para, nos vindeiros días, solicitar formalmente o rescate á Comisión Europea. A maior parte desa enxurrada de millóns irán para Bankia, Novagalicia Banco, Catalunya Caixa e Banco de Valencia, as entidades nacionalizadas, ou en vías de selo, polo Estado español. Fica por coñecer, porén, que cantidade correspondería a cada unha das entidades. Para iso haberá que agardar a outras auditorías, xa en marcha, e cuxos resultados poderían facerse públicos en xullo. Neste sentido, NGB está a ser auditada por KPMG, unha das coñecidas como 'Big Four' que operan no Estado español.
PRAZA_18318
O Estatuto de Galicia, no marco do sistema dunha economía mixta de mercado, atribúelle ao Poder Galego a competencia exclusiva na xestión do sector público autonómico e máis a participación no goberno e administración das empresas públicas estatais operantes en Galicia que non fosen legalmente transferíbeis.
A decisión da multinacional Alcoa de pechar a súa factoría d'A Coruña adóptase pola grande sobrecapacidade produtiva na China (auténtico dumping desleal) e pola falla total de investimentos nos últimos anos na factoría coruñesa. Porén, certo é que a tarifa eléctrica que grava ás industrias e consumidores galegos constitúe un auténtico despoxo patrimonial propio de pretéritas estruturas coloniais, malia os remendos dunha poxa de ininterrompibilidade que fica lonxe das posibilidades de moitas outras industrias, como Megasa, que pagan cantidades astronómicas pola enerxía e non poden concorrer con avantaxe a esta caste de poxas. Mais case ninguén relaciona este peche co bloqueo sofrido polo autogoberno económico do País. Porque o Estatuto de Galicia, no marco do sistema dunha economía mixta de mercado, atribúelle ao Poder Galego a competencia exclusiva na xestión do sector público autonómico e máis a participación no goberno e administración das empresas públicas estatais operantes en Galicia que non fosen legalmente transferíbeis. Velaí o deseño constitucional dun sector público autonómico con vocación de abranguer ou, polo menos participar no sector público estatal operante en Galicia. Porén, os sucesivos gobernos estatais bloquearon este- e moitos outros-preceptos estatutarios. Cando a SEPI estatal vendeulle INESPAL a Alcoa no 1998 por só 400 M USD, o Goberno galego de Fraga nin quixo nin puido oporse eficazmente a este malbaratamento patrimonial. Vendéronse moitas outras empresas no último goberno de Felipe González (1993-1996) e primeiro de Aznar (1996-2000), case sempre a prol dunha elite estatal extractiva, núcleo do capitalismo castizo de amiguetes ou do BOE que domina arestora os sectores regulados do IBEX 35. A operación de recentralización económica completouse coa liquidación das Caixas e, de vez, das competencias estatutarias galegas sobre estas entidades fundacionais de base social e, xa que logo, de propiedade colectiva e non privada. A desmontaxe dos sectores público e financeiro galegos ten empobrecido substancialmente o País no beneficio dese capitalismo estatal de amiguetes, ao tempo que reduciu moi substancialmente a compoñente social ou mixta dunha economía de mercado que está a se converter abertamente en sociedade de mercado. O autogoberno é garantía de benestar e a recentralización é un camiño cara ao empobrecemento. Publicidade
PRAZA_20348
En Galicia sitúase nos 32,6 anos, moi por riba na media española (32) e só por detrás do País Vasco. Con todo, 2016 foi o primeiro ano dende 1996 no que descendeu a idade media na que as galegas tiveron o seu primeiro fillo ou filla, que agora se sitúa nos 31,53 anos
O INE publicou este xoves os últimos datos demográficos, correspondentes ao ano 2016. Neles, ademais da cada vez maior diferenza entre defuncións e nacmentos en Galicia, publicouse o indicador da idade media da maternidade, que o pasado ano seguiu a crecer, situándose xa nos 32,6 anos. Galicia é a segunda comunidade autónoma cunha maternidade máis tardía, só superada polo País Vasco (32,86) e moi por riba da media española (32). Galicia é a segunda comunidade cunha maternidade máis tardía, só superada polo País Vasco (32,86) e moi por riba da media española (32) Nas últimas tres décadas a idade media da maternidade incrementouse en 5 anos en Galicia (dende os 27,6 anos de 1987) e a idade media na que as mulleres galegas teñen o seu primeiro fillo ou filla creceu en case seis (dende os 25,38 ata os 31,53). Con todo, 2016 foi o primeiro ano dende 1996 no que descendeu a idade desta primeira maternidade, que agora se sitúa nos 31,53 anos. Neste indicador Galicia atópase tamén por riba da media española (30,79 anos), aínda que de novo por debaixo de Euskadi (31,85) e tamén de Castela-León (31,55). Hoxe o 10% dos partos teñen como protagonistas a mulleres de máis de 40 anos (2% en 1996) e o 44% a mulleres de 35 anos ou máis (14% en 1996) O tempo da maternidade atrasouse significativamente nas últimas décadas. En 1996 o 22% dos nenos e nenas galegas nacían con nais por debaixo de 25 anos, unha porcentaxe que hoxe se reduciu ata o 6%. Ata un 55% das nais non chegaban aos 30 anos, mentres que no 2015 os partos por debaixo des idade non chegaron ao 21%. Pola contra, cada vez son máis as mulleres que teñen fillos por riba dos 35 e mesmo dos 40 anos. Hoxe o 10% dos partos teñen como protagonistas a mulleres de máis de 40 anos (2% en 1996) e o 44% a mulleres de 35 anos ou máis (14% en 1996)
NOS_24955
Beijing ve con bos ollos un movimento diplomático que resta tensión nunha das zonas xeopolíticas máis quentes do planeta. Kim Jong-un tornouse no primeiro líder nor-coreano en pisar territorio baixo xurisdición de Seúl desde o armisticio de 1953.
En vésperas da súa aínda non axendada cimeira con Donald Trump, Kim Jong-un mantivo unha cimeira co seu homólogo sul-coreano. O histórico encontro ten lugar esta sexta feira na aldea de Panmunjeom na zona desmilitarizada que marca a fronteira entre as dúas Coreas. Na orde do día do encontro, a paralización do programa nuclear de Pyongyang e talvez, talvez, o comezo do proceso que leve á asinatura da paz entre dos estados que formalmente aínda están en guerra (puxeron fin ao seu conflito bélico -en boa parte un confronto entre os EUA e a China de Mao- co armisticio de 1953). A cimeira tivo o seu ritual. Kim foi o que deu o primeiro paso, literalmente, e andando en solitario, após baixar unha imponente escalinata, cruzou a liña da demarcación entre os dous estados, para pór o pé sobre territorio sul-coreano. Fotografouse así co seu homólogo sul-coreano Moon Jae-in. E logo colleuno da man e, dándose a volta, levouno uns centímetros por detrás da liña, unha fugaz visita de Moon Jae-in ao norte de Corea. O xesto provocou as gargalladas de xornalistas e diplomáticos. No horizonte da relación entre estes dous estados, estaría tamén unha hipotética reunificación. O norte xa ten esclarecido que tal proceso non levaría aparellada a asunción do capitalismo. Pyongyang pensa máis nunha confederación de dous estados soberanos que manteñan cadanseu sistema político e económico. Con todo, si cabe agardar que Kim Jong-un favoreza un proceso de reforma que vaia asimilando o funcionamento da economía nor-coreana (sen apenas marxe para o sector privado) ao modelo chinés. Beijing vive desde logo con alivio a distensión na península coreana. A China de Xi Jinping -empeñada en elevar o nível de consumo interno da súa populación, para non depender tanto da demanda exterior- non podería asumir o custo dunha forte militarización da súa economía que inevitabelmente decorrería dun conflito armado entre Pygongyang e Seoul, con Washington como patrocinador do sul. De feito, China -tamén Rusia- apoiou no seo do Consello de Seguranza de Nacións Unidas endurecer as sancións a Pyongyang pola continuidade do seu programa nuclear. Beijing -para quen a pacificación da península coreana é unha necesidade estratéxica- reduciu até un terzo as súas importacións nor-coreanas ao longo do último ano. Todo indica que as presións surtiron efecto e que Kim Jong-un está a mover pezas no taboleiro diplomático visando o levantamento das medidas punitivas adoptadas contra o seu país.
PRAZA_8024
O almacenamento de información na nube con plataformas como Dropbox, Google Drive ou iCloud é cómodo e eficiente. No entanto, cando a seguridade é o importante, non podemos depositar toda a nosa confianza en plataformas sobre as que non temos control.
O almacenamento de información na nube con plataformas como Dropbox, Google Drive ou iCloud é, ante todo, cómodo e eficiente. Un pode instalar esas ferramentas e en instantes comezar a usalas para a colaboración en rede. No entanto, cando a seguridade da nosa información é crítica, non podemos depositar toda a nosa confianza en plataformas sobre as que non temos control, ou que polo feito ser software privativo descoñecemos se o seu funcionamento interno é verdadeiramente ético. A dicir do anterior, preparamos unha lista con cinco alternativas de código aberto a Dropbox e servizos similares, todas dispoñibles para Linux, Windows e OS X. Todas estas alternativas regresan o control á persoa ou organización sobre a súa información. 1. Duplicati Duplicati funciona como unha ferramenta para o apoio e aseguramento de arquivos. Por unha banda pode conectarse con sistemas de almacenamento na nube como Amazon S3, Windows Skydrive, Google Drive, Rackspace, mesmo con servidores persoais con acceso a SSH e FTP. Polo outro, cifra cada arquivo con algoritmos criptográficos estándar. Estes procesos poden calendarizarse con relativa facilidade. Recomendado para cando a seguridade é a prioridade máxima. 2. iFolder iFolder permite crear unha contorna de arquivos compartidos similar a Dropbox. O software intégrase naturalmente ao sistema operativo porque unha vez instalado aparece como un directorio máis que sincroniza os cambios de forma automática co servidor. Tamén é un bo sistema de apoio de información. 3. ownCloud ownCloud é unha solución comercial que basea a súa estratexia proclamándose como alternativa segura a Dropbox. ownCloud prové unha capa segura pola cal son transmitidos os datos da organización, xa sexa desde un servidor propio ou mesmo sobre o mesmo Dropbox. Tamén funciona con dispositivos móbiles. 4. Seafile Seafile permite construír unha nube privada para compartir arquivos e colaborar en rede. Unha vez instalado no servidor, Seafile funciona de maneira similar a Dropbox, con clientes que se sincronizan de forma transparente. 5. SparkleShare SparkleShare crea un directorio no teu equipo ao cal asocias un ou máis directorios situados nun ou máis equipos na rede (probablemente o servidor da oficina, a universidade ou que permita o acceso remoto). Estes directorios actualízanse automaticamente cada vez que alguén edita, elimina ou agrega un arquivo. SparkleShare ten a opción de cifrar os arquivos automaticamente. Funciona en Windows, Linux e OS X
NOS_50853
A delegación ourensá de Ecoloxistas en Acción dá conta dun novo episodio de baixada de caudal no río Limia. Aliás, achega unha imaxe tomada pola Plataforma Auga Limpa Xa! para amosar que nunha zona do encoro das Conchas volveron aparecer "toxinas" e "cianobacterias" ante o que consideran un "abandono institucional". Os datos de ocupación nas presas seguen a ser preocupantes en pleno outono.
Os datos eran alarmantes en pleno verán e nalgúns casos seguen a selo. As e os membros de Ecoloxistas en Acción en Ourense trasladaron a través das redes sociais a súa fonda preocupación polo estado de ríos como o Limia e o Cadós. Na súa conta de Twitter a delegación ourensá da organización ecoloxista interrogou -sen resposta- á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil sobre a ausensia de "caudal do río Limia". Así mesmo, botou man dunha imaxe tirada pola Plataforma Auga Limpa Xa! -co eixo central das súas loitas na contaminación industrial das augas na comarca da Limia- para advertir de que á altura do río Cadós, o encoro de As Conchas volve aparecer con pouco caudal. Ademais, fan fincapé no verde da auga, que implica a presenza de "toxinas e cianobacterias", o que consideran froito do "abandono institucional". Onde está o caudal do río Limia, @CH_MS? Esta é a situación que atopamos na desembocadura do río Cadós no encoro das Conchas tinguido, ademais, de verde = toxinas, cianobacterias e abandono institucional ⬇️🆘⬇️🆘 📸@AugaLimpa pic.twitter.com/zgANPFNcNg— Ecoloxistas en Acción Ourense (@Ecoloxistasou) October 18, 2021 Respecto do baleirado, os datos a 19 de outubro de 2021 seguen a ser preocupantes. Por exemplo, o encoro de As Conchas atópase ao 31,25% da súa capacidade cando o ano pasado polas mesmas datas estaba por encima do 46%. Aliás, en Cenza detéctase auga embalsada que ocupa só o 12,50% do espazo reservado, cando a media dos últimos dez anos foi de máis do 47% e o ano pasado na mesma semana estaba ao 30%. Malia que a capacidade de As Portas é moito máis elevada, só está cheo ao 14,74% da súa capacidade fronte ao 61,75% do período de referencia do ano pasado. Mesmo a presa dos Peares, que está case ao 100% (ao 91,76% sitúase por debaixo dos números do pasado exercicio). Detrás parece estar a falta de precipitacións, pero fundamentalmente acúsase de novo ao excesivo baleirado por parte das eléctricas, o que podería implicar nalgúns casos carencia do respecto polos caudais ecolóxicos dos ríos. Un contexto de enfrontamento En agosto deuse a coñecer un episodio de baleirado do río por baixo da presa de Salas, tamén na conca Miño-Sil, o que provocou que a Consellaría de Medio Ambiente abrise un expediente sancionador contra o organismo xestor da conca "pola súa responsabilidade no baleirado dalgúns dos encoros hidroeléctricos máis importantes desta conca". Porén, este, que depende do Estado español, acusou o departamento da Xunta de manipular a información sobre a comunicación do baleirado das presas de As Portas e Cenza, de cuxo baixo caudal tamén alertaron as entidades ecoloxistas. Esas semanas estiveron marcadas polas acusacións mutuas entre administracións públicas. Curiosamente, segundo estimou Nós Diario o pasado 25 de agosto, catro de cada seis presas da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil estaban por debaixo da metade da súa capacidade. A auga encorada, facendo unha media, non chegaba ao 48% mentres que na mesma época de 2020 o nivel de ocupación abeiraba o 70% do espazo dispoñíbel.
NOS_34337
O prezo do leite galego cronifícase como o máis baixo do Estado español.
Unións Agrarias (UUAA) organizará diferentes mobilizacións ante os centros da cadea de supermercados Mercadona que operan na Galiza en protesta contra a política comercial da compañía, que busca, aseguraron, "manter artificialmente baixos" os prezos do leite. Nun comunicado remitido aos medios esta cuarta feira, UUAA acusa a empresa valenciana de "condicionar" as negociacións dos novos contratos de aprovisionamento. A organización agraria, que lembra que Mercadona ten "30% do mercado lácteo español", considera que a compañía de supermercados mantén "conxelados" os prezos do leite para facer deste un "produto reclamo". O polo como 'produto reclamo': atraer clientes e forzar a venda a perdas dos criadores Neste senso, incide en que se trata dunha estratexia "artificial", dado que as explotacións lácteas deben facer fronte a un notábel incremento dos custos, con aumentos de case 70% na factura eléctrica ou de 39% en alimentación do gando no último ano. Da mesma forma, subliña que Mercadona mantén eses prezos mentres outras cadeas repercutiron xa este incremento de custos no prezo do cartón, algo co que, segundo Unións Agrarias, pretende "mellorar a súa conta de resultados". Para a organización agraria, a postura da compañía valenciana "pode contaxiar o resto das superficies comerciais" a caer na venda a perdas dun produto que se emprega como "gancho" nos supermercados "para enganar ao consumidor con promocións trucadas". O leite peor pagado do Estado O prezo do litro de leite que se pagou aos gandeiros e gandeiras galegas de media en xullo foi de 44,7 céntimos, o que supón un lixeiro incremento a respecto dos 43,1 céntimos de xuño, segundo os datos publicados a comezos de mes polo Ministerio de Agricultura. O prezo do leite producido na Galiza segue á cola do Estado: 44,7 céntimos por litro A pesar da tendencia alcista, cun incremento no último ano de máis de dez céntimos, o prezo que se paga na Galiza cronifícase como o máis baixo do Estado español, sen conseguir abandonar ese posto durante os últimos anos. É a mesma cantidade que a recibida en Castela-A Mancha.
PRAZA_1728
O voceiro provincial socialista, Darío Campos, criticou que na xuntanza que a presidenta da Deputación mantivo con Núñez Feijoo non se tratou a demanda de hemodinámica 24 horas e Radioterapia para o HULA, entre outros asuntos
O pasado luns o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e a presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, mantiveron unha xuntanza, a primeira de carácter oficial dende que a popular accedeu de forma inesperada á presidencia do ente provincial. Un día despois o PSdeG-PSOE valorou de forma moi negativa o encontro, sinalando a través do voceiro provincial socialista, Darío Campos, que a reunión "foi unha auténtica tomadura de pelo cara aos lucenses". Campos criticou que na xuntanza Núñez Feijoo e Candia "non abordaron ningunha das preocupacións dos veciños da nosa provincia. Candia non falou sobre Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear; sobre as prazas nas residencias públicas da Deputación que a Xunta si concede a entidades privadas; sobre os cartos que o Goberno galego adebeda aos lucenses en materia de servizos sociais e políticas activas de emprego; sobre o 1º centro de recría de gando vacún público en España ou sobre as 49 peticións dos cidadáns ao Executivo autonómico nos Presupostos Participativos". O voceiro socialista concluíu que "Candia calou e voltou coas mans baleiras" e que "non exerceu de Presidenta da Deputación de Lugo, senón que exerceu de Delegada da Xunta, competindo coa desaparecida Raquel Arias, ao permanecer calada sobre as preocupacións dos lucenses e sobre os proxectos do organismo provincial". Para Campos, Candia "non exerceu de Presidenta da Deputación de Lugo, senón que exerceu de Delegada da Xunta" Campos lembrou que durante os últimos seis anos o presidente da Xunta non quixo reunirse con Gómez Besteiro como presidente da Deputación de Lugo: "Gómez Besteiro enviou a Núñez Feijóo ata 10 cartas, solicitándolle un encontro, onde e cando quixera, no que abordar as principais preocupacións dos lucenses. Feijóo nunca respondeu, vetando esta reunión con Besteiro". Campos engadiu que "é unha vergoña que, durante anos, Feijóo non quixera falar con Besteiro sobre as preocupacións dos lucenses, discriminando, claramente, aos veciños desta provincia só por intereses partidistas, posto que agora si recibe a Candia". Campos engadiu que "é unha vergoña que, durante anos, Feijóo non quixera falar con Besteiro sobre as preocupacións dos lucenses, discriminando, claramente, aos veciños desta provincia só por intereses partidistas" O voceiro engadiu que "din que falaron de lealdade institucional. A que lealdade se refiren? A lealdade institucional de Feijóo, que durante anos non respondeu ás reiteradas peticións de Besteiro para para abordar conxuntamente os verdadeiros problemas dos lucenses e darlles solución?. Ou a lealdade institucional de Elena Candia, que paralizou obras que o Goberno progresista da Deputación deixou en fase de contratación para mellorar os accesos viarios provinciais a praias de Concellos da Mariña de todas as cores políticas?".
PRAZA_8046
Máis que interesante e altamente informativo o volume Éirí Amach publicado hai pouco polo selo O Figurante Edicións, unha antoloxía poética galego-inglesa que xira en torno á escrita dos chamados Poetas do Alzamento da Pascua de 1916 en Irlanda.
Máis que interesante e altamente informativo o volume Éirí Amach publicado hai pouco polo selo O Figurante Edicións, unha antoloxía poética galego-inglesa que xira en torno á escrita dos chamados Poetas do Alzamento da Pascua de 1916 en Irlanda. A presente escolma —traducida, antologada e anotada por Edelmiro Momán— recolle unha selecta representativa de catro célebres poetas irlandeses que sufriron presidio e foron axustizados pola rebelión contra a coroa inglesa que lideraron aquel luns de abril do ano amentado. Pádraig Anraí Mac Piarais (Patrick Pearse, 1879-1916), Tomás Mac Donnchadha (Thomas Mac-Donagh, 1878-1916), Seosamh Máire Pluincéid (Joseph Plunkett, 1887-1916) e Ruairí Dáithí Mac Easmainn (Roger Casement, 1864-1916) son os catro mártires literarios dos que aquí se ofrecen versos. Como era de esperar nunha antoloxía desta natureza, sobrancean nas composicións traducidas os textos de carácter patriótico, inzados de figuras tiradas directamente da mitoloxía celtoirlandesa, salientando tamén a defensa da súa lingua gaélica e de moitos dos símbolos definitorios desta cultura. Porque, convén lembralo, en Irlanda, como noutro lugares, o papel que a poesía cantada, recitada ou lida xogou en clave de loita identitaria coadxuvante do proceso de liberación nacional foi, xaora, decisivo. De feito, o impacto da morte destes catro poetas mobilizou o conxunto da poboación de Éire e gardouse por sempre na memoria colectiva, que hoxe os recorda como auténticos mártires da causa irlandesa, tal como os lembran os versos de Gertrude Parry: "They shall be remembered for ever,/ They shall be alive for ever,/ They shall be speaking for ever,/ The people shall hear them for ever". Da biografía destes autores ocúpase Momán nunha ben documentada introdución, pola que sabemos a adhesión temperá de Mac Piarais á Liga Gaélica e do seu activismo como educador entre as crianzas do seu idioma secular, sobre o que adoitaba asegurar que "un país sen lingua é un país sen alma"; mais tamén do douto profesor e autor teatral que Mac Donnchadha foi; da habelencia como estratego político de Pluincéid, católico fervoroso que vía a súa propia entrega á causa como unha sorte de sacrificio místico, ata o punto de que participou na revolta daquela Pascua de 1916 tendo sido operado o día antes, polo que saíu do hospital ás présas co fusil na man; e inclusive coñecemos por este limiar da importancia como diplomático de Mac Easmainn, antiimperialista convencido polo que tentaron interceder sen éxito A. Conan Doyle, B. Shaw e outros, e a vida do cal ten sido literaturizada en diversas ocasións, unha das máis recentes na novela El sueño del celta do laureado Mario Vargas Llosa. Canto á tradución destes versos por parte de Momán, debe dicirse que respecta e traslada con fidelidade os textos ingleses dos que se serve, adaptándoos con acerto á lingua de noso. Agora ben, non pode esquecerse tampouco que só uns cantos poemas do volume foron creados orixinalmente en inglés, pois a maioría foron escritos en irlandés, sendo o texto resultante en galego, xa que logo, unha re-versión indirecta do que os poetas escribiron. Doutra parte, é xusto advertir tamén que se ben o traslado das estruturas morfosintácticas e as escollas léxico-semánticas foi levado a cabo por Momán con evidente solvencia, este tivo que sacrificar os metros e rimas existentes, que se ofrecen como versións versolibristas en galego. Éirí Amach complétase coa reprodución doutros poemas vencellados ao episodio de "rebelión" que o propio título anuncia (de feito iso é o que significa "Éirí Amach" en irlandés, rebelión, pois a sublevación da Pascua do 16 chamouse xustamente "Éirí Amach na Cásca", o "Easter Rising" dos contrarrevolucionarios británicos). Eses poemas van encabezados pola célebre composición "Easter, 1916" de William Butler Yeats ―amigo persoal dalgúns dos axustizados e simpatizante da sublevación― e proseguidos por outras non menos aplaudidas poesías, como "A Rebel Song" de Séamas Ó Conghaile, "Ways of War" de Lionel Johnson e outros tres poemas que Mac Piarais traduciu do gaélico ao inglés. Loable, pois, o esforzo tanto do selo O Figurante Edicións coma de Edelmiro Momán por achegarnos a poética destes catro mitos fenianos, exemplo admirable de como un pobo pode chegar a ter nos seus poetas líderes cidadáns de inmorrente memoria.
PRAZA_14135
Apenas un millón de persoas viron o espectáculo, en horario infantil, fronte aos máis de dous millóns que seguiron a etapa da Vuelta a España que precedeu á tourada. Galicia foi a segunda comunidade na que a emisión tivo menos audiencia, con só o 6%
A retransmisión este mécores dunha corrida de touros en horario infantil amosou o cada vez menor interese que este espectáculo esperta en España. Apenas un millón de persoas (1.157.000) viron o a tourada, un share do 12%, fronte aos máis de dous millóns que seguiron o final da etapa da Vuelta a España que a precedeu nas emisións de TVE. Coincidindo coa corrida retransmitida pola cadea pública, Sálvame tamén dobrou a súa audiencia, cunha media de 2.053.000. Galicia foi a segunda comunidade na que a emisión tivo menos audiencia, con só o 6% dos espectadores nese momento, unhas 25 mil persoas. O mesmo sucedeu en Canarias (5,2%), Baleares (6,5%) e Valencia (8,4%) e a tourada tamén tivo menos espectadores que a media en Madrid (11,6%), Asturias (11,5%) e mesmo Andalucía (9,5%). Pola contra, rexistrou bos resultados de audiencia en Murcia (24% de share), Castilla-La Mancha (19,9%) e Aragón (18,8%). En Euskadi acadou un 12,9%. Por idades, as persoas maiores de 64 anos foron os que máis viron o espectáculo, o 48,8 por cento de todos os espectadores. O segundo grupo de idade que máis viu a corrida foi o de entre 45 a 64 anos de idade (o 33,3%). Tan só o 17% dos espectadores tiñan menos de 45 anos (entre 25 e 44 anos o 12,3%, de 13 a 24 anos o 4,3% e de 4 a 12 anos 1,3%. Galicia foi a segunda comunidade na que a emisión tivo menos audiencia, con só o 6% dos espectadores nese momento, unhas 25 mil persoas A televisión pública regresou a esta práctica despois de seis anos de prohibición expresa en distintas normativas e no propio libro de estilo de TVE. O artigo 16 do Mandato Marco de RTVE sinala que "velará polos dereitos dos menores" e non difundirá, entre as 6 e as 22 horas "contidos que poidan prexudicar o desenvolvemento psíquico ou moral dos menores, axeitando a súa programación de conformidade coas prescricións contidas no Código de Autorregulación de Contidos Televisivos e Infancia e os mandatos parlamentarios aprobados nese sentido".
PRAZA_10055
Dende o pasado mes de marzo grupos de voluntarios e voluntarias levaron a cabo accións de limpeza en Vigo, A Coruña, Vilanova de Arousa ou A Estrada. A iniciativa naceu hai dous meses por impulso dun norteamericano e un alxerino.
Todo comezou no mes de marzo nos Estado Unidos cando Byron Román, residente en Phoenix, publicou en Facebook dúas imaxes do antes e do despois dunha acción de limpeza levada a cabo por un activista medioambiental de Alxeria, Drici Tani Younes, animando a "adolescentes aburridos" a recoller todo o lixo dunha área determinada e compartir despois as fotografías nas redes sociais. Acababa de nacer un novo reto viral, que adoptou o nome de #trashtagchallenge e que se estendeu por todo o planeta.O reto chegou a Galicia xa no mes de marzo, e na rede pódense atopar imaxes de accións de limpeza en praias da Coruña, Vilanova de Arousa ou VigoEn realidade, non se trata máis que de facer o que moitos colectivos e grupos de persoas veñen xa facendo (aí están por exemplo as accións de limpeza dos ríos que impulsa Adega) pero dende logo trátase dunha actuación necesaria ante as inxentes cantidades de lixo presentes en praias, ribeiras, montes e outros espazos. Alguén dixo xa sobre o #trashtag que é "o primeiro reto de Internet que de verdade serve para algo".O reto chegou a Galicia xa no mes de marzo, e na rede pódense atopar imaxes de accións de limpeza en praias da Coruña, Vilanova de Arousa ou Vigo. E este pasado domingo a tenda da Estrada 4eco LoAN xuntou unha vintena de voluntarios e voluntarias para limpar as ribeiras do río Tabeirós, onde retiraron preto dunha tonelada de residuos. "Seguiremos adiante con estas iniciativas, e se buscades xente para facer limpeza noutras zonas, aquí nos tedes", anuncian dende 4eco LoAN.
PRAZA_6007
U-la identidade moderna e plural que se poida chamar a identidade española do século XXI? U-la identidade española pluricultural e plurilingüística, superadora de elementos que só son de parte, coma os touros, o Real Madrid ou a mentalidade de turismo de sol e praia?
A España da transición batía récords de paro e aturaba un sistema fiscal inxusto e uns equipamentos e renda "per capita" moi inferiores á media europea. As desigualdades eran ferintes e o acceso aos servizos públicos moi deficiente. Porén, existía un proxecto común, basicamente alicerzado na estrea das liberdades, na integración europea, na superación da crise económica e no común degoiro no acceso xeneralizado á educación e aos demais servizos públicos. Os españois descubriron horizontes máis anchos e percorreron un longo treito no que atinxe ao recoñecemento dos dereitos da muller e das persoas homosexuais. Mesmo semellaba que os españois ían abrirse a outras culturas, principiando polas culturas nacionais catalá, vas ca e galega coas que coexistían. Asolagada España na Grande Recesión e nunha moi fonda crise institucional, non se advirten os vimbios para enfrontar un proxecto común, porque non hai nin unha diagnose común dos problemas Foi este un período que rematou por volta da crise do 1992-1993, da que España sairía en 5 ou 6 anos con non poucos sacrificios e damnificados. Entre eles a vinculación directa dos sectores regulados privatizados por Aznar e González coas elites madrileñas. A maioría absoluta do PP representou, no que atinxe aos valores e principios xeralmente aceptados, unha volta á España única e cañí, malia que coa fachenda da "España va bien". Velaí que, asolagada España na Grande Recesión e nunha moi fonda crise institucional, non se advirten os vimbios para enfrontar un proxecto común, porque non hai nin unha diagnose común dos problemas. Mesmo nin existe consenso a respecto das reformas fiscais a desenvolver ou da diagnose sobre os efectos das actuais desinsdustrialización e emigración das xeracións novas e estudadas. Hoxe en día España está falta de proxecto e de relato. E tamén dunha identidade plural e moderna común Estes trinta e tantos anos de convivencia non construíron unha identidade común española que transcendera daquela España uniforme, taurina e cañí dos anos 60 do século pasado. É verdade que temos unha parte da historia común e partillamos importantísimos vencellos sociais, económicos, culturais e familiares. Mais u-la identidade moderna e plural que se poida chamar a identidade española do século XXI? U-la identidade española pluricultural e plurilingüística, superadora de elementos que só son de parte, coma os touros, o Real Madrid ou a mentalidade de turismo de sol e praia? Hoxe en día España está falta de proxecto e de relato. E tamén dunha identidade plural e moderna común.
NOS_25584
As mobilizacións decorrerán esta cuarta-feira e son un limiar da protesta a nivel estatal que terá lugar en Madrid o vindeiro 21 de marzo.
As sete cidades galegas acollerán na tarde desta cuarta feira, 25 de febreiro, outras tantas mobilizacións convocadas polas Marchas pola Dignidade, mobilizacións para denunciar a rexeitar "unhas políticas que están levando á pobreza e á exclusión social a sectores cada vez máis amplos". As manifestacións tamén queren ser un preparatorio para a mobilización que terá lugar en Madrid o vindeiro 21 de marzo e á Folga Xeral convocada para o 22 de outubro. Así mesmo, as Marchas da Dignidade organizarán outros actos en Galiza, como o faladoiro-debate no que participarán Diego Cañamero, voceiro do SAT, e o actor Willy Toledo, na Coruña o 9 de marzo (no Círculo de Artesáns ás 19.30 horas) e en Vigo, o día 10 (no Centro Cívico de Teis, ás 20 horas). Lugar e hora das mobilizacións: • Ferrol, desde Praza de Armas, ás 19,30 horas • A Coruña, desde Praza de Portugal, ás 20 horas • Lugo,desde Explanada do Edificio Multiusos da Xunta ás 20 horas • Compostela, desde Porta do Camiño, ás 20 horas • Ourense, desde Parque San Lázaro, ás 20 horas • Pontevedra, desde A Pasarela (Rúa 12 de Novembro), ás 20 horas • Vigo, desde Praza de Fernando o Católico, ás 20 horas
NOS_53253
Xosé Estévez (Quiroga, 1943), profesor de Historia da Universidade de Deusto e colaborador de Sermos, está en Galiza para ofrecer un par de relatorios sobre a relación do poeta chairego e o val de Quiroga, lugar ao que se sentía moi unido. Ademais aproveitamos para preguntarlle polas relacións entre o País Vasco e Galiza, sobre o que ten publicado moitos libros e promovido outras tantas actividades de irmanamento entre ambos os dous pobos.
- Hoxe ofrece unha conferencia en Quiroga sobre Manuel María, a quen considera como "un dos tres grandes da nación galega", xunto con Castelao e Rosalía.- Para min si, desde logo. Considero que na segunda metade do século XIX foi Rosalía de Castro, na primeira do XX Castelao, e na segunda metade do século XX, Manuel María. - É unha afirmación...- …un pouco contundente, si, pero é unha afirmación persoal. Outros dirán outra cousa, pero Manuel María foi un home polifacético, erudito, dunha sabiduría extraordinaria, que tiña un coñecemento inmenso da literatura e da cultura galega, e tamén española, portuguesa e mesmo da francesa. E tiña unha capacidade oratoria fenomenal, unha voz moi atraínte e, sobre todo, era unha excelentísima persoa, que é o máis importante. - Vostede foi amigo del desde o ano 65, non?- Si, aproximadamente, coñecino no Seminario de Lugo daquela e fixémonos amigos a partir do ano 67. Teño 60 libros dedicados por el. O último dedicoumo un mes antes de morrer. - Nos relatorios fala sobre a relación de Manuel María co val de Quiroga. Tan importante foi?- É moi importante porque Manuel María tiña un sentimento telúrico de arraigo coa terra. Era un home profundamente enraizado no país e, dentro do país, había unha serie de bisbarras que para el tiñan unha significación especial. A primeira, está claro, é a Terra Chá, Outeiro de Rei, o seu pobo natal, e dentro de Galiza tiña outras zonas polas que sentía unha querencia especial, como a zona do Carballiño, o Ribeiro e a bisbarra de Quiroga, de onde proviña a súa avoa materna. Ao vivir en Monforte desprazábase continuamente a Quiroga para facer artigos e poemas sobre este val, sobre que publicou máis de 30 textos tanto n'A Nosa Terra coma no Correo Gallego. El ía ao restaurante chamado Remansiño a comer troita e caza, que lle gustaba moito, e fixo amizade con moita xente de alí, e escribiu sobre moitos lugares e personaxes de alí. Salvador Espriu e Gabriel Aresti axudáronlle a pagar unha multa a Manuel María por dar unha conferencia en Madrid con Voces Ceibes - Tamén foi multado en Quiroga con 300.000 pesetas por participar nunha manifestación en contra dunha planta de celulosas. - Si, o que pasa é que fixeron un recurso e persoeiros destacados de aquí testificaron a favor del e logo coa amnistía do 77 xa se condonaron os delictos e non a pagou. Pero si pagou unha anterior por unha conferencia que deu en Madrid, na facultade de Económicas, con Voces Ceibes. Foi de 75.000 pesetas no ano 69, que daquela era moito. Algúns axudamos a pagar esa multa, e lembro que estando con el chegoulle un sobre con diñeiro de Salvador Espriu con 1.000 pesetas, e outro de Gabriel Aresti. - Estivo moitas veces en Euskadi e tratou con Aresti e Mikel Laboa, entre outras moitas persoas da cultura vasca. - El estivo no País Vasco en 17 ocasións, moitas delas na miña casa. Con Aresti xa tiña relación epistolar desde o ano 69, e coñecéronse persoalmente no ano 72. E tamén con Mikel Laboa, que estivo na súa casa en Monforte, tamén cun director de teatro vasco, ou co etnógrafo Juan Garmendia, ou co poeta Joxean Artze. Tamén tiña moi boa relación con Francis Jammes, un poeta naturalista francés que vivía en Iparralde, que influiu moito nalgúns poemas de Manuel María. - Vostede publicou varias obras para dar a coñecer Galiza en Euskadi e viceversa, supoño que buscando un maior entendemento entre os dous países. - A miña teima sempre foi mostrar a relación de irmanamento e a solidariedade entre os dous pobos. Por casualidade, o tema da miña tese de doutoramento, que era o Galeusca, deumo a coñecer un frade capuchino que estivo exiliado en Bos Aires e que coñecera a Castelao. Logo empecei a profundizar no tema e atopei moitos convenios e tratados entre vascos, galegos e cataláns, que databan xa do ano 1923, e que se renovaron nos anos 1933, 40, no 45 no exilio, en París no 70. E esa foi sempre a miña teima desde que empecei a investigar desde os anos 74-75. - Nos últimos anos houbo un enfriamento nesas relacións políticas.- Si, o último contacto importante foi no 2005 co Galeuscat, pero a partir de aí houbo un enfriamento, e hoxe o único que hai son contactos entre algúns partidos políticos de cara ás eleccións europeas. Bildu ten unha especie de pacto co BNG nestes comicios, e logo hai contacto entre Bildu e as CUP, pero sen que se volvese ao verdadeiro Galeusca, que eran pactos entre todas as forzas nacionalistas destas nacións para procurar chegar a unha reestruturación do Estado español cara a unha confederación de nacións ibéricas, libres, voluntariamente pactadas, que incluíse mesmo a Portugal. Ese é o auténtico Galeusca que se perdeu. O que hai agora son pactos entre forzas políticas entre dúas ou tres nacións, pero non entre todas. - Como cre que se ve a situación galega agora mesmo en Euskadi?- Agora mesmo Euskadi está nun intre de impasse. Hai dúas forzas políticas nacionalistas que até o de agora tiñan a hexemonía dentro do espectro político, pero segundo as últimas enquisas está subindo moi forte e mesmo de forma inexplicable para moitos Podemos, ocupando o segundo lugar, que ocupaba Bildu, que descende bastante. Véxolle un porvir moi mouro a Galiza - Como se ve Galiza en Euskadi?- Sempre foi a irmán máis pobre do Galeusca, evidentemente. Pero as relacións entre vascos e galegos son moi fluídas. Nun primeiro intre, coa primeira emigración nos anos 20, foron un pouco estridentes, pero desde a Guerra Civil esa relación mellorou moito, porque os galegos que vivían alí loitaron na Guerra en contra do alzamento, e mesmo tiveron varios batallóns no exército vasco, integrados fundamentalmente na CNT. Chegou a haber un batallón, chamado Batallón Celta Milicias Antifascistas Galegas, que loitou na fronte de Biscaia, contra os sublevados dirixidos polo xeneral Mola. A partir de aí fóronse fraguando unhas relacións máis fluídas, onde tamén influiron os matrimonios mixtos, e vían aos galegos como unha especie de aliados, de tal maneira que hoxe practicamente a emigración galega está diluída na sociedade vasca. Na segunda xeración a emigración galega integrouse perfectamente na sociedade vasca, e por tanto, os galegos estamos relativamente moi ben vistos no País Vasco, celebramos moitos actos conxuntos, como no mes de febreiro, en Oiartzun celebramos a homenaxe a Concha Murguía, a nai de Manuel M. Murguía, que naceu alí, que levamos facendo desde o ano 2000. Houbo un recital conxunto en galego e euskara, conferencias, etc. En setembro imos celebrar en Biscaia unha xornada vasco-galego. - E como se ve a situación da Galiza de hoxe desde o punto de vista dun historiador coma vostede que vive fóra?- Eu cada vez que veño aquí, ao val de Quiroga, vexo unha sociedade moi avellentada, a maior parte da xente nova está na emigración, agora é xente que ten un alto nivel de estudos, o que supón unha descapitalización humana. Véxolle un porvir moi mouro. O ano pasado estiven 15 días e morreron no val de Quiroga 20 persoas. E a maior parte da xente que ves pola rúa son xubilados. Entón, un país cunha demografía tan avellentada, dá unha impresión realmente moi degradante do que pode ser o porvir do país. Agora eu confío en que a xente recapacite, reflexione, e que os partidos políticos se poñan as pilas e ergan Galiza ao nivel que debe estar. - Como ves o estudo da historia en Galiza? Cres que hai algunha época que non está suficientemente estudada?- Hai unha xeración de novos historiadores moi interesantes que está a traballar moi ben na historia de Galiza. E neste eido hai algunhas etapas que hai que profundizar nelas. Por exemplo, estamos vivindo o centenario das Irmandades, e é a hora de profundizar nesta época, e que puido ser unha lumieira para o futuro de Galiza e que quedou no camiño. Outra é a II República, unha época dun grande espertar, que o alzamento cortou, pero estaba agromando unha Galiza nova e cun rexurdimento total e con moita esperanza, tendo o Partido Galeguista con 4 deputados, que chegou a xestionar un Estatuto. Outra é a época do final do franquismo e comezo da Transición, que foi unha terceira oportunidade e que non se sabe por que... ben, sábese porque algunhas forzas optaron por favorecer forzas políticas alleas a Galiza, que coutaron un devir autónomo de Galiza. Perdéronse tres oportunidades históricas. E como di o refrán árabe, o sol hai que aproveitalo cando pasa pola porta, porque se cadra non volve pasar. - E cales son os seus próximos proxectos?- Á miña idade xa hai que ir de ano en ano. Este ano estou dando moitas conferencias sobre Manuel María, oito ou nove delas en Euskadi. Tamén estou preparando algo moi interesante sobre Xosé Velo Mosquera, que morreu en 1976 -cúmprense 50 aniversario do seu pasamento-, que interviu nun Galeusca moi interesante en Caracas en 1959. E despois estou traballando no Congreso das Irmandades que se vai celebrar en novembro no Museo do Pobo, onde participarei cun relatorio sobre o primeiro acordo do Galeuscat en 1923 asinado por vascos, galegos e cataláns o 11 de setembro dese ano.
NOS_11390
O presidente afirma, a preguntas do BNG e AGE, que implementarán "de forma inmediata" os tratamentos que cumpran os criterios dos expertos. A oposición repróchalle que o goberno galego non se implique en solucionar o grave problema destes doentes.
O presidente da Xunta afirmou no Parlamento galego que "imos tratar de forma inmediata os doentes" de Hepatite C "que cumpran os criterios". Díxoo na sesión de control e en resposta a preguntas do BNG e AGE sobre este drama que afecta 45.000 galeg@s. Nacionalistas e Alternativa exixiron ao presidente que o seu goberno adoptase medidas para poñer fin a un problema "que afecta a vida de moitas persoas, que están no corredor da morte á espera do tratamento" (Francisco Jorquera, BNG). Feijóo reiterou máis unha vez a versión do PP de que a decisión non é política senón técnica'. Dixo que é un grupo de expertos, de médicos, os que deciden. E que o que eles digan é o que se fai. Mais BNG e AGE deron argumentos para desmontar esa versión feijoniana nun debate no que os deputados de Alternativa deron as costas ao presidente mentres falaba. Jorquera lembrou que había criterios económicos fixados polo goberno: 125 millóns de euros para afrontar un problema que só en Galiza sofren 45.000 persoas. A vice-portavoz de AGE, Yolanda Díaz, preguntou a Feijóo "canto vale para vostedes unha vida humana?". Foi a mobilización dos doentes e da sociedade a que obrigou ao PP a mover ficha a nivel de Estado e que deu lugar ao borrador dun Plan Estatéxico , lembrou Jorquera. E pediulle a Feijóo que ante esa nova porta aberta "non permaneza impasíbel, poña todos os medios para que se apliquen as medidas".
NOS_53601
Foi en Nafarroa onde o Partido Popular inventou a fórmula que agora quere exportar a todo o Estado. Navarra Suma, coalición preelectoral de PP, UPN e Ciudadanos, quere ser agora España Suma. Mais algúns baróns conservadores, nomeadamente Alberto Núñez Feixoo, non o ven. Ana Beltrán, presidenta dos populares navarros afirmou porén esta segunda feira que a estratexia de Casado e as reticencias de Feixoo son "perfectamente compatíbeis".
"Estamos falando dunha fórmula para as eleccións xerais", dixo Beltrán, "o que dixo Feixoo é perfectamente compatíbel porque cando cheguen as autonómicas cada territorio teñen as súas circunstancias especiais". Feixoo alegou que en Galiza "non existe fragmentación do voto de centrodereita" e, así, rexeitou a etiqueta España Suma. A presidenta do PP navarro esgrimiu que todo o partido está "en sintonía coa fórmula porque España está en circunstancias que poderían requirir esas coalición e é absolutamente compatíbel co dixo Feixoo". A dirixente de dereitas asegurou que Ciudadanos "acabará por aceptar" a coalición e non desbotou a entrada da formación ultradereitista Vox.
NOS_22889
O BNG require que o Concello de Santiago designe o parque tras os Xulgados das Fontiñas co nome da escritora.
O BNG rexistrou un rogo para facer un chamamento aos diferentes grupos políticos da Corporación para acordar as denominacións das rúas, prazas, parques e espazos públicos de Santiago de Compostela. Unha iniciativa para, sinalan @s nacionalistas, "dignificar persoas da cidade e de todo o país". "Así, de maneira directa, queremos pór un nome enriba da mesa arredor do que había conversas previas para designar o parque de detrás dos Xulgados das Fontiñas co nome de Begoña Caamaño", sinalou a concelleira Goretti Sanmartín. "Xornalista, escritora, feminista e activista cultural, Begoña Caamaño destacou como veciña pola súa implicación no movemento asociativo e, con esta iniciativa, o BNG propón a organización dun acto institucional na súa lembranza". Para o Bloque, os nomes que se propoñan para facer unha listaxe para todo o mnadato e 'bautizar' así rúas, parques e prazas... deben atender a unha serie de criterios: "Deben axudar a construír unha conciencia social xusta, respectuosa cos dereitos humanos, con valores democráticos, da historia da cidade e de recoñecemento do pobo galego".
PRAZA_681
A escritora e activista ofrecerá unha conferencia este xoves no Auditorio do Centro Municipal de Teis, en Vigo. Dá comezo a un mes de actividades informativas e de protesta en contra do tratado de libre comercio entre a UE e os Estados Unidos.
Susan George, activista, escritora, científica sociopolítica e presidenta da xunta de planificación do Transnational Institute (TNI) ofrecerá este xoves unha conferencia en Vigo, co obxectivo de analizar os efectos que sobre a economía, os servizos públicos ou os dereitos sociais en toda Europa pode ter a aprobación do Tratado Transatlántico de Comercio e Investimento (TTIP). A charla, que se celebrará no Auditorio do Centro Municipal de Teis a partir das 19.30 abrirá o ciclo Recuperar Soberanía. Desarmar o TTIP, organizado por Ecoar. A entrada é libre ata completar o aforo. Durante un mes Vigo, A Coruña e Compostela acollerán palestras de activistas que analizarán o tratado dende diferentes ámbitos Durante un mes Vigo, A Coruña e Compostela acollerán palestras de activistas que analizarán o tratado dende diferentes ámbitos, que culminarán o día 18 de abril co Global Action Day contra o TTIP. Ao longo destas sesións, abertas a toda a cidadanía, analizaranse polo miúdo as características, orixe, alternativas e consecuencias dos distintos Tratados de Libre Comercio (TTIP, TISA, CETA,...). Segundo os seus responsables, Recuperar Soberanía, desarmar o TTIP busca "xerar un punto aberto onde, ademais de informarse, as persoas poidan participar e debater sobre os Tratados de Libre Comercio e todo o que os rodea, especialmente sobre o TTIP". Ese 18 de abril convocaranse mobilizacións en todos os países da UE. Tamén as haberá en Galicia. A CIG, membro da plataforma europea Alter Summit, anunciou hai unhas semanas que prevé organizar actos en todas as localidades posibles, cun contido concreto que se irá definindo nas vindeiras semanas. BNG, Esquerda Unida, Anova, Podemos ou Equo opóñense con firmeza ao TTIP, o mesmo que CC.OO., UGT ou CGT, e entidades sociais coma ATTAC, Amigos da Terra, ADEGA, SLG ou Ecoar. O 18 de abril convocaranse mobilizacións en todos os países da UE. Tamén as haberá en Galicia O traballo de Susan George vai encamiñado, nos últimos anos, cara a loita contra o modelo actual da globalización, organización do comercio mundial, as institucións financeiras internacionais e as relacións norte-sur. George é especialista, entre outros temas, en reforma da Unión Europea, política comercial europea, débeda e institucións financeiras internacionais, alternativas á globalización empresarial, taxa sobre as transacións especulativas; seguridade alimentaria e comercio internacional. Sobre estes temas escribiu máis dunha decena de libros que foron traducidos a diversos idiomas, ademais de numerosos artigos. Na actualidade é presidenta do comité de planificación do think tank progresista Transnational Institute de Ámsterdam. Entre as súas obras destaca O informe de Lugano; Fe e débeda: o imperio secular do Banco Mundial ou o recente O Informe Lugano II, subtitulado "esta vez imos liquidar a democracia". Nunha entrevista publicada por El Diario, George destacaba que "Os banqueiros poden elixir quen é elixido e quen non" e sinalaba que lle gustaría ver "os indignados de toda Europa unidos cos sindicatos para faceren protestas a nivel internacional" pois "Non é suficiente loitar ante Rajoy ou ante Silvio Berlusconi. Porque no mellor dos casos poderían gañarlles a eles, pero iso agora no contexto europeo non significa nada. O poder está no BCE, no FMI. Nin Rajoy nin François Hollande poden facer fronte a eses poderes supranacionais. Tampouco as feministas, os ecoloxistas, os homosexuais por si sós teñen moito que facer". Albano Dante Fachín, Ricardo García Zaldívar ou Arcadi Oliveres tamén pasarán por Galicia nas vindeiras semanas As conferencias continuarán a vindeira semana (31 de marzo) cunha videoconferencia a a cargo de Florent Marcellesi (investigador, político e activista ecoloxista, europarlamentario por EQUO) e Tom Kucharz (xornalista, investigador social e activista) que se poderá seguir dende a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela. O 4 de abril haberá unha nova palestra na cidade olívica, a cargo de Albano Dante Fachín (activista e editor de Café amb Llet). O 9 de abril as xornadas trasladaranse de novo a Compostela, onde na Facultade de Económicas da USC falará Ricardo García Zaldívar (profesor de Economía na Universidad Carlos III e presidente de Attac España). Finalmente, o 13 de abril estará na Aula Magna da Facultade de Socioloxía da Coruña Arcadi Oliveres (Procés Constituent).
NOS_7982
Reproducimos un dos artigos de Xosé M. Millán Otero, recentemente falecido, que máis pegada deixou entre as lectoras e lectores de A Nosa Terra, a quen agradecemos a cesión do texto que segue. Foi publicado o 1 de decembro de 1994, no número 650 da citada publicación.
Unha entre as moitas novidades que A Esmorga aporta á narrativa galega é o alto grao de colaboración leitora que o texto demanda. Na súa aparente simplicidade, a novela oculta tanto como mostra, e os siléncios son nela tan significativos como as voces que oímos. O leitor non só debe reconstruír a parte que o primeiro narrador lle furta ao amputar as intervencións do Xuíz, senón que debe percorrer o texto armado de todos o sentido crítico. A Esmorga demanda, a parte un leitor antento, un leitor suspicaz, disposto a desvelar dobres sentidos, ambigüidades, autocontradicións e, primordialmente, as motivacións que moven cada unha das palabras de Cibrán o Castizo na súa declaración. Como alerta contra o leitor incauto é que funciona a presentación en pluma do primeiro narrador, que amais de nos "explicar" a xénese do discurso, pretende acentuar a nosa desconfianza ante o que ven a seguir. De outro modo, a referéncia a múltiples fontes orais e escritas non pasaría de mero xogo verbal, se temos en conta que se aproveita só unha das fontes posíbeis -a deposición oral do protagonista ante o xuiz-, reducíndose a utilización das restantes... ás últimas liñas da novela, para deixar na incógnita as circunstáncias da morte de Cibrán. Como o primeiro narrador nos di, a "voz populi" transforma a história á sua conveniéncia: o Tijeradeoro conta os sucesos de trinta maneiras, dependendo do humor; o tio "ministro" do xulgado é xa vello e mal recorda; por último os papeis procesais enterran a verdade co cascallo da retórica xudicial. Leitor: abre os ollos, anda con tento non creas nada... xulga. No cima da irania, o primeiro narrador mesmo chega a "conducir" os posíbeis prexuízos en que o leitor moralizante e non suspicaz puidera caír: collerlle xenreira ao Milhome . Mais, unha vez lida a novela, ¿por que ter xenreira ao Milhomes, ese anxo desgraciado e xusticeiro? E, como primeira conclusión , e n'A Esmorga nada é como aparenta, e non pode haber xustiza porque non hai certeza, ¿por que crer xustamente a versión do principal implicado? O narrador infiel Algunhas da consideracións arriba esbozadas son clásicas na análise d'A Esmorga. Sen embargo, unha vez sinalada a incerteza textual, críticos e leitores téñense deixado atrapar pola innegábel habeléncia retórica de Cibrán até ver o mundo narrativo exclusivamente polos seus ollos e dar por certo o que na novela é máis infiel: a deposición do narrador -testemuña-protagonista- reo. De aí que as interpretacións máis sagaces choquen con preguntas para as que só hai respostas débeis: ¿Por que mata Milhomes ao Bocas? ¿Está diexeticamente xustificada a acción? ¿Ten o Milhomes suficiente distanciamento afectivo e capacidade de xuízo moral sobre os actos do compañeiro? Porque o recurso aos ciumes como factor explicativo non podemos estraelo nen sequer da narración de Cibrán: o Milhomes acompaña sen pestanexar ao Bocas na procura de satisfacción sexual . na casa da Monfortina, na casa da Nonsó, no pazo de Andrada... ¿Pór que non no campo das bestas? No momento de máxima aproximación entre o Bocas e unha muller -coa Viguesa na casa do Nonó-, o Milhomes limítase a seguir a escena con escepticismo, "que era o seu modo de se burlar ou de dar a entender que estaba de volta do que se dicía", mentres "besbexaba, polo baixo, cousas que facían rir" á gobernanta do local. Canto á sua capacidade para un lóstrego de xuízo moral que lle permita decatarse da barbaridade que ven de cometer o Bocas coa Socorrito, nada no perfil psicolóxico do personaxe nen na sua evolución narrativa nos permite supor tal posibilidade. Deseñado polos comentários de Cibrán, a figura do Milhomes sobrepasa en depravación á do Bocas: o que neste hai de "nobreza" -identificada coa sua afouteza- hai en Milhomes de falsía e crueldade gratuíta. E non é extraño que o narrador se compraza en detallar o episódio do roubo á tia Delfina, o saqueo no pazo de Andrada ou a saña con que Milhomes suxeita polos pelos á Costilleta mentres o Bocas a golpea en pleno rostro. A própria descrición física dos dous personaxes non oculta o grao de envexosa admiración de Cibrán polo Bocas á par da desfiguración mostrosa do Milhomes. A presentación do personaxe é, naturalmente, interesada. Forma parte das múltiples estratéxias deseñadas polo narrador con vistas a disfrazar a sua própria responsabilidade nos acontecementos. Como única testemuña das mortes, ten a posibilidade de construir a realidade á sua medida; como único sobrevivinte, é tamén o único susceptibel de ser culpado e castigado. Non é gratuíto que a declaración arranque cunha negación taxativa das afirmacións doutros declarantes, que descoñecemos pero que poderiamos supor: "Non, señor, non lle foi asi como está nese papel que leron. (...) Nin no escomenzo das causas, nin do que veu despois, nin do remate, ninguén sabe nada porque ninguén viu nada... ". Neste sentido, só en clave autoxustificatória é que pode ser !ida a novela: cada frase do Cibrán forma parte dunha estratéxia meditada tendente a convencer ao xuíz -e aos xuíces leitores-, da sua inocéncia. Asi, os excursos rapidamente atallados en que se valora a si mesmo como home e personaxe; asi a extensa referéncia inicial ás paces coa Raxada, o amor polo fillo e os sinceros desexos que se rexenerar; as diferéncias que marca a respeito dos seus compañeiros de desgrácias; a reincidéncia no zar infausto que guia as suas decisión e os seus actos; a debilidade de carácter con que se autorrebaixa para xustificar a sua vinculación á esmorga. Mesmamente o tan manuseado determinismo físico e metereolóxico -a choiva, a friaxe, os sabañóns nos pés, o picante da sopa de allo fervéndolle no estómago-, en boca de Cibrán non son senón outros tantos recursos -ben mirados, alguns altamente irónicos-, coa fin de resaltar a sua irresponsabilidade diexética. Abondaria unha análise detallada dos momentos da declaración en que estas referéncias se producen para a sua función exculpatória. Como tamén o "pensamento", con canto ten de enaxenación e "conciéncia irracional", pero tamén de pretexto para explorar a complicidade do xuíz e do leitor ... e enredarse cada vez máis na bebedela. O Milhomes non tiña navalla Pode parecer supérfluo -xa adiantei que estas notas tiñan o seu de ociosas-, pero nun crime -e n'A Esmorga, entre outros, hai un crime-, tan importante como vítima e culpábel é o corpus delicti. E as navallas n'A Ésmorga- tampouco esquenzamos que para a sua verdade interna é un acto procesal-, xogan tamén o seu rol. Cando en 1971 Blanco amor intenta converter en linguaxe visual a novela e escribe o guión de La Parranda, entre outras moitas innovacións mixtificadoras, outorga a cada un dos herois o seu atributo: o Bocas "faca andaluza ou albaceteña de home camorrista"; o Cibrán "navalla ( ... ) popular galega"; O Milhomes "unha navalla, no peto do chaquetón, grande". Pero n'A Esmorga (texto), o Milhomes non ten navalla ... ou cando menos non hai referéncia a ela antes de que sexa necesária para realizar o seu cometido: "Vinlla pouco, -"confesa" Cibrán-, pero somella ser a navalla de Aladio o Milhomes. ( ... ) Digo que somella porque non lla tiña ollado denantes nin sabía que a levaba". Si teñen navalla o Bocas, que acaba sacando con medo no pazo de Andrada; e tamén o Cibrán, como afirma, xustamente no momento de se encontrar cos esmorgantes: "Supuxen de seguida que sería unha bulra de coñecidos, pero, polo si ou polo non, afirmei a mau na navalla e quedeime parado". Sen embargo, xa no cabo da novela, ante a dúbida insidiosa pero xustificada do xuíz ao lle mostrar o corpo do delito e preguntar pola sua propriedade, o Cibrán acaba por descubrir o seu xogo e autocontradicirse: "Esa é unha parvada e parece causa de mal fe, sen faltarlle ao respeto. Eu non son home de navallas, que o pode dicer todo o mundo no pobo ... ¡E fágame o favor de ... !". ¿Lapso do escritor ou lapso do personaxe? Resístome a crer que Blanco Amor, -tan coidadoso en cada detalle-, caia neste despiste próprio de présas e noveis. A distáncia textual entre ambas referéncias e os momentos climáticos en que estas se producen inclínanme a crer no seu carácter deliberado. O lapso é sen dúbida do personaxe, un lapso que desmonta toda a sua estratéxia exculpatória e o condena ante a xustiza. E para probalo, o significativo siléncio do xuíz, a perda do autocontrol de Cibrán, até aí tan mesurado, e o "pensamento"... Cibrán, entre a traxedia e o cinismo Orabén, ¿en que modifica a propriedade da navalla as interpretacións globais d'A Esmorga? Ou, noutras palabras, ¿en que modifica a autoría a significación global do crime e as suas circunstáncias? Non substancialemente, creo eu. Fago miñas abondas das leituras até agora realizadas -inclusive aquelas tendentes a explicar as razóns do Milhomes-, moi éspecialmente a difundida por Francisco Rodríguez en múltiples conferéncias e no seu traballo "A Esmorga: opresión e violéncia na realidade colonial". A "culpabilidade" de Cibrán non ven máis que a redimensienar o seu estatus de personaxe central: -Como ten sinalado Francisco Rodríguez, nun 'marco cofonial caractérizado pala alineación, a incapacidade dos indivíduos para dialogaren co médio, cos outros e consigo mesmos: a imposibilidade de conciéncia e valores éticos, Cibrán é o único personaxe coas mínimas luces, coa mínima inserción social, coa mínima escala de valores para xulgar os actos dos seus compañeiros e obrar en consecuéncia, aínda que sexa de forma extemporánea e igualmente violenta. A morte do Bocas é acto do seu "pensamento", conciéncia irracional, que se acaba convertendo en enaxenación (ataque de epilesia). -A morte do Bocas a mans do castizo non seria senón o remate diexeticamente esixido para a rivalidade que se estabelece entre os dous desde un início e que a versión do narrador non totalmente disimular; a rivalidade sexual latente entre ambos; o enfrentamento físico no pazo do Castelo por mor do Milhomes; o distanciamento crítico de Cibrán de todas as "burradas" que os esmorgantes cometen; a revelación in media re das accións do Bocas a noite anterior; a dependéncia inmotivada que liba a Cibrán cos esmorgantes -para alén. da "complicidade" na queima do pazo-, paralela á que manifesta o Bocas con respeito ao Milhomes: o pensamento por mil causas que o Cibrán non pode xa controlar. -O que de tráxico ten o protagonista, tena de cínico o narrador. Só así se explica a alternancia entre os momentos de plena submisión ao xuíz con aqueles en que se burla del abertamente amparándose na distáncia cultural ou na sua dubidosa conducta sexual: só así se explica a sua aparente febleza psicolóxica. Desconfiado tanto das resolucións da xustiza tanto como dos seus métodos, Cibrán atende unicamente á sua salvación individual, lonxe de calquer noción de verdade ou solidariedade. Mais, sexa que for o asasino, queda patente o extraordinario grao de abertura da novela, froito da capacidade de Blanco Amor para dotar este mecanismo de reloxeria do suficiente entorno de indeterminación como para permitir múltiples e encontradas leituras. O que porén creo incuestionábel é que o próprio autor nunca deu demasiado creta ás declaracións do seu personaxe. [Nesta reprodución obviáronse as notas ao pé referidas a páxinas concretas do libro empregado polo autor do artigo].
NOS_28070
Varios centos de persoas saíron á rúa na tarde do sábado, polo centro de Pontevedra, convocadas pola plataforma Touradas Fóra de Pontevedra, para pedir a abolición das corridas de touros, que cada verán decorren na cidade.
Coincidindo coa primeira xornada de touradas en Pontevedra, varios centos de persoas manifestáronse no centro da cidade para pediren a "abolición". Lembraron que tras os máis de 10 anos que Touradas Fóra de Pontevedra leva mobilizándose contra as corridas de touros, "aumentaron a concienciación, o traballo e a participación" nestas protestas. "O noso obxectivo non é convocar manifestacións exitosas, o noso obxectivo é a abolición das touradas. Un obxetivo que estamos certas de que cada día está máis próximo mais para o que temos que seguir a loitar con firmeza, por iso, animámosvos a tomar partido e facer parte activa desta loita", apelou a plataforma no manifesto lido pola escritora Tareixa Alonso. Viana, primeira cidade anti-touradas de Portugal, derruba a súa praza de touros Fixeron balance da última década de mobilizacións que deron como froito a redución dos días en que decorre a feira taurina, que institucións se declarasen abertamente antitouradas, que se retirase a publicidade taurina do programa de festas das Peregrinas ou que a Deputación de Pontevedra retirase as subvencións ás touradas. A "vitoria" está "máis próxima" porque "a conciencia da xente ante un caso tan flagrante de crueldade contra os animais non fai máis que aumentar", sinalou o colectivo, que lembrou que tras dous anos sen poder ter lugar a única feira taurina existente na Galiza "nada mudou en Pontevedra, a vida segue, as actividades culturais non decaen, o mundo laboral é alleo á existencia desta feira e isto é a mostra de que Pontevedra non precisa das touradas, un espectáculo bárbaro que dana a imaxe da nosa cidade". Pontevedra, salientaron as persoas promotoras da manifestación, "é unha vila coñecida internacionalmente por diversos factores, todos eles positivos, mais as touradas danan seriamente a imaxe da cidade". A manifestación antitaurina regresa este sábado a Pontevedra Puxeron de manifesto a perda de afluencia á feira taurina, "cada vez máis decadente". "A causa é clara: o negocio non rende porque o interese decae. Decae a pesar de que a de Pontevedra é, infelizmente, a única feira taurina organizada de maneira regular que ten lugar no noso país logo da fin das touradas na Coruña. Nin así conseguen encher a praza de San Roque, nin así conseguen rendibilizar o seu negocio, por iso teñen que reducilas". A plataforma pediu eliminar "calquera tipo de axuda pública ás touradas", un negocio "cruel" co que "non se pode convivir". Situou o final do camiño no Parlamento galego, coa "abolición das touradas na Galiza". Por primeira vez en 13 anos, non haberá manifestación contra as touradas en Pontevedra "Todas e todos nós debemos presionar os partidos políticos que alí teñen representación para que se posicionen con rotundidade en favor da abolición da tauromaquia e para que actúen en consecuencia modificando a fraudulenta Lei de Benestar Animal actual, que segue a facer das touradas unha excepción á hora de combater o maltrato animal", apelaron. "Se o Partido Popular -responsábel de que as touradas sigan sendo legais- teima en defender a barbarie, terá que ser desaloxado da Xunta para que se cumpra a vontade maioritaria", concluíu o manifesto. Galiza Nova, na manifestación A organización xuvenil do BNG, Galiza Nova, como integrante da plataforma, participou da manifestación. A súa secretaria xeral, Marta Gómez, afirmou que "volvemos saír ás rúas para denunciar a presenza das touradas na nosa cidade. Unha práctica que nin é festa, nin é tradición: é unha mostra máis da colonización española do noso país, que ademais atenta do xeito máis cruel contra os dereitos dos animais".
PRAZA_5503
Vigo, onde se manifestaron milleiros de persoas, acolleu as mobilizacións centrais de CC.OO. e UGT, da CIG, e da CUT. Os malos datos da EPA do primeiro trimestre centran os discursos, que esixen máis postos de traballo e de mellor calidade, e máis "investimento público".
Milleiros de persoas manifestáronse neste 1º de maio, convocados polos principais sindicatos, en marchas que percorreron as rúas das sete cidades galegas, ademais de vilas como Vilagarcía, A Estrada, Viveiro, Cervo ou Ribeira. Un ano máis as centrais sindicais acudiron divididas á cita, con tres convocatorias distintas: CC.OO. e UGT por un lado, CIG polo outro, e a CUT polo outro máis. As manifestacións centrais celebráronse en Vigo, onde se rexistrou a participación máis importante, e a onde acudiron tanto os líderes sindicais coma representantes políticos de PSdeG-PSOE, AGE e BNG. O emprego marcou as reivindicacións, dous días despois dos moi negativos datos da EPA do primeiro trimestre, cunha destrución de emprego notable no conxunto de España, e máis acentuada en Galicia, onde se bateu unha nova marca histórica de desempregados, con 296 mil. Os secretarios xerais de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, e de UGT, José Antonio Gómez, participaron na manifestación de Vigo, onde sinalaron que "o paro é o principal problema do país". Tamén lembraron que xa son 101.500 os fogares con todos os activos en paro e 34.300 os fogares que carecen de ningún tipo de ingreso. CC.OO e UGT tamén esixiron un incremento do investimento público, lembrando o plan elaborado pola Confederación Europea de Sindicatos (CES), que prevé proxectos en sectores como a enerxía, redes, infraestruturas de transporte e telecomunicacións, educación e formación, investigación, servizos públicos ou vivenda social, e que "posibilitaría crear once millóns de empregos na UE, poñer fin aos recortes de gasto, aumentar os salarios e reforzar as prestacións e redes de protección social". Aguión e Gómez tamén se referiron ás eleccións europeas do vindeiro 25 de maio, nas que "a cidadanía terá a oportunidade de escoller entre o actual modelo, de recortes e a precarización das condicións de vida e de traballo, ou aportar por alternativas que rematen coa austeridade, combatan a a competencia baseada nos baixos salarios, defendan os servizos públicos e recuperen a esencia da democracia", sinalaron. Tamén houbo referencias á inminente cita electoral nas manifestacións convocadas pola CIG, baixo o lema Contra a explotación e a pobreza. Fagámoslle fronte á Unión Europea. Organización, loita e soberanía. O sindicato nacionalista denunciou "a situación de pobreza, precariedade e desemprego que afecta a miles de galegas e galegos". Unha situación que, sinalaron, "está a provocar a masiva emigración da nosa mocidade e que empeora por mor das políticas promovidas pola UE e aplicadas pola Xunta de Galiza e o Goberno español". O sindicato fixo "un chamamento a organizarse contra o sistema capitalista e reclamar outro modelo máis xusto, solidario e democrático". Ante esta situación, a "conversión do ensino, a saúde, a asistencia social ou as pensións nun negocio para o capital privado", unha política fiscal "inxusta" ou as "contrarreformas laborais", a CIG aposta pola "loita solidaria da clase obreira de todo o mundo, desde a súa propia realidade e autoorganización, contra este sistema socioeconómico capitalista". O secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, incidiu na necesidade de conquistar un novo modelo socioeconómico. "Hoxe máis ca nunca reafirmámonos na reivindicación e no compromiso por un novo modelo económico e social máis xusto e solidario". A CUT, pola súa banda, chamou a saír á rúa "sumando forzas na unión do sindicalismo alternativo, de clase e combativo" e, por exemplo compartiu manifestación coa CNT en Compostela, ou coa CGT en Vigo e A Coruña. A CUT é un dos sindicatos asinantes dun manifesto polo Primeiro de Maio no que se reclama a nivel estatal "asumir o espírito do 22M": "o éxito das Marchas da Dignidade que confluíron en Madrid o pasado 22 de marzo amosou que a clase traballadora e as clases populares están dispostas a tomar a rúa". Numerosa presenza de líderes políticos Numerosos líderes políticos participaron nas distintas convocatorias dos sindicatos. Por exemplo, na manifestació de Vigo puido verse os socialistas José Ramón Gómez Besteiro e José Blanco. Tamén á vicevoceira de AGE no Parlamento galego, Yolanda Díaz, e á candidata de AGEe nas eleccións europeas, Lidia Senra. E Xavier Vence, Ana Miranda, o capitán de abril Durán Clemente e o líder agrarista José Bové, que acudiu á marcha da CIG para apoiar a candidatura de Miranda. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle ao PP que "modifique" a súa actitude ante o desemprego, en referencia ás declaracións realizadas este mércores por Alberto Núñez Feijoo sobre os datos da EPA. "O PP comprometeuse a crear emprego, a xerar riqueza, e estamos peor", criticou. Pola súa banda, Yolanda Díaz esixiulle aos populares que "defenda os postos de traballo" e lembroulles que "os datos da EPA amosan violencia", pois "violencia é ter máis de 100.000 familias con todos os seus membros en paro". Mentres, Xosé Manuel Beiras, que participou nas marchas de CUT e CIG, lamentou que as direccións dos sindicatos "non se teñan posto de acordo para mostrar xuntos o rexeitamento ás agresións que están a sufrir os traballadores e os seus dereitos, sexan do sindicato que sexan e teñan a ideoloxía que teñan". O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, esixiu "traballo digno" e "futuro para a xente", sobre todo para os mozos e mozas que se ven obrigados a emigrar. Vence cualificou a situación da economía de "absolutamente catastrófica". Folga xeral Houbo berros de folga xeral na manifestación convocada pola CIG en Vigo. E aínda máis nas marchas convocadas en Ferrol, onde ante a particular gravidade da situación da comarca, tanto CIG por unha banda, coma CC.OO., UGT e USTG, polo outro, fixeron referencias á posibilidade de convocar unha nova folga comarcal, despois da que se celebrou hai un ano. En Ferrol, ademais, tras rematar as dúas manifestacións, levouse a cabo a acción Rodea o Concello, nunha convocatoria que prevé manter unha concentración ao redor da Casa do Concello até as dez da noite. "Na nosa comarca este 1º de maio ten que ser de loita e vixilia ante a emerxencia social que estamos a vivir", destacan os seus organizadores.
NOS_16363
Estupefacción e indignación son as notas predominantes da reacción, masiva, das redes perante a sentenza da Audiencia de Nafarroa que condenou por abusos sexuais e non por violación os membros de 'La Manada'.
Até 6 trending topics relacionados co asunto cohabitaron no mundo twitter nos minutos seguintes a se coñecer a sentenza. As etiquetas -#LaManada, #EstaesNuestraManada, #YoSiteCreo, #JusticiaPatriarcal, #NoEsNo, #CódigoPenal- ilustraban á perfección o estado de ánimo da comunidade de internautas, entre a raiba polo carácter machista da resolución xudicial e a perplexidade ao comprobar a distinta vara de medir que os xuíces aplican perante distintos feitos (esta violación, o procesamento dos mozos de Altsasu, ou as peticións de cadea para os líderes do procés). Escolmamos a seguir chíos que espellan ben a atmosfera que se está a vivir en twitter por volta do asunto. Esta sentencia de #laManada só serve para poñer a diana feminista no sistema xudicial, no código penal e nunha reforma que recoñeza a dignidade das mulleres e a violencia sistemática contra nosoutras. IMOS POLA #xustizapatriarcal. SEMPRE do lado das vítimas #AlertaFeminista— María Reimóndez (@reimondez) 26 abril 2018 Penétrante pola boca, o ano e a vaxina á vez mentres te graban e se mofan e non é violación. Quen agarde a ler a sentenza vaime perdoar, pero se isto se axusta á lei o código penal hai que queimalo #lamanada #xustizapatriarcal— Maria G. Albert 🎗🎗🎗 (@mariagalbert) 26 abril 2018 FEITOS E NON PALABRAS... segue sendo igual de certo... É VIOLACIÓN... saiamos ás rúas contra a xustiza patriarcal... #EstaEsNuestraManada #eusitecreo #yositecreo— carme adán (@carmeadan) 26 abril 2018 O patriarcado impregna todas e cada unha das estruturas sociais e a sentenza de #LaManada volve deixalo en evidencia. #AlertaFeminista— Olalla Rodil (@orodil) 26 abril 2018 Volvemos ver os límites da xustiza patriarcal. Que a raiba por todas as violencias machistas nos leve a abrir un debate sobre os pasos a dar e a forma de evitalas. Necesitamos autoorganizarnos, a nosa forza é imparable. Se tocan a unha respostamos todas! #YoSiTeCreo #LaManada pic.twitter.com/MlfaEpbsQn— Paula Quinteiro (@pau_qa) 26 abril 2018 Mastigamos a raiba cos corpos a mil. Que a #XustizaPatriarcal non pense que imos ficar caladas. Imos tomar as rúas hoxe e sempre para defendermos que son nosas, como os nosos corpos. E que se tocan a unha, ouvearemos e responderemos todas pic.twitter.com/kPgtKy9qs4— Galiza Contrainfo 🔥 (@gzcontrainfo) 26 abril 2018
NOS_56452
As bruxas conviven cos seres humanos, tras unha tregua que dura séculos unha conspiración de bruxos tratará de resucitar á Raíña Bruxa para que reúna ás forzas máis poderosas da maxia negra para dominar o mundo. O último cazador de bruxas Kaulder (Diesel) é a única esperanza da humanidade.
A ver, fagamos reconto... xa estaban vivindo entre nós vampiros (Blade), lobishomes (Underworld), extraterrestres (Homes de negro) e forzas do inferno (Constantine)... agora tócalle a vez as bruxas. Ben si, para bruxas, ou mellor dito bruxos, xa tiñamos o honroso caso de Warlock, o bruxo (1989, Steve Miner) ou todo o universo J.K. Rowling de Harry Potter, pero en O último cazador de bruxas a cousa céntrase no vixiante. Un Vin Diesel na mesma liña de sarcasmo bruto de Riddick, pero moi en plan Blade mesturado cun chisco de Constantine e outro de Connor MacLeod (Os Inmortais). O bo de Kaulder, que é como se chama Diesel, recibe unha maldición após matar á Raíña Bruxa. Unha maldición que lle da a vida eterna (sic)... 800 anos despois, xa na actualidade, segue coa ardua tarefa de protexer o mundo das bruxas baixo o control dunha orde clérigomasónica chamada a Cruz e a Machada que fixo un pacto para que as bruxas puideran convivir en paz coa humanidade baixo unha única norma: "non usar a maxia contra os humanos". De incumprir esta lei poderían acabar cos ósos nunha cárcere enmeigada por toda a eternidade. Desde hai séculos asísteo un sacerdote que ha de mudar en cada xeración por un evidente problema de idade. Como número 36 da lista está Michael Caine que está a piques de se xubilar para seren substituído por Elijah Wood, o número 37. Unha homenaxe velada ao padre Merrin e padre Karras do Exorcista (1973, William Friedkin)... Loxicamente a paz entre humanos e bruxas non podía perdurar, senón non habería peli, así que todo se complica e comezan as investigacións, alianzas inesperadas, loitas imposíbeis, traizóns, acción e moita fantasía... Todo empacadiño cun luxoso deseño de produción e uns efectos especiais de quitar o impo para que desviar a atención sobre uns diálogos previsíbeis e absurdos. Porén tampouco O último cazador de bruxas non engana. É o que é e non pretende ser máis. Puro entretemento para poñer o piloto automático e deixarse levar por unha trama de maxia e fantasía que xa vimos mil veces. Sen ser orixinal cumpre o cometido. Leva pinta de se converter en franquía, e de feito xa teñen proxectada unha segunda parte. Seica ninguén lles comentou que facendo unha queimada xa estaba... The Last Witch Hunter (Estados Unidos 2015, 106 min.) Dirección: Breck Eisner Guión: Cory Goodman, Matt Sazama e Burk Sharpless Fotografía: Dean Semler Música: Steve Jablonsky Elenco: Vin Diesel, Rose Leslie, Elijah Wood, Michael Caine, Ólafur Darri Ólafsson, Rena Owen, Julie Engelbrecht, Joseph Gilgun, Lotte Verbeek
PRAZA_3708
A cifra total de positivos é de 1.598, 224 máis que o día anterior, o que significa un ascenso do 16%. Por primeira vez Vigo é a área que presenta máis casos, con 396. Houbo xa 30 mortes, as últimas na Coruña e Pontevedra.
O número total de positivos é de 1.598, 224 máis que o día anterior. Esto significa un ascenso do 16%Os casos de coronavirus manteñen a súa escalada en Galicia, pero sen presentar a gravidade das situacións de saturación hospitalaria que se están a dar noutros territorios. O número total de positivos confirmados ata as últimas horas deste martes era de 1.598, 224 máis que o día anterior. Esto significa un ascenso do 16%.Polo de agora, en Galicia rexistráronse 25 altas de pacientes e 30 falecementos. Os últimos falecementos corresponden a dous varóns de 82 anos, que estaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, e que tiñan enfermidades previas; e a outro varón de 74 anos, que estaba ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra, e que tamén presentaba outras patoloxías.Galicia suma 25 altas de pacientes e 30 falecementosNo conxunto de España os contaxios seguen medrando a un ritmo do 20%, con 7.937 novos casos no último día. Tamén crece un 20% o número de ingresos en UCI, ata 3.166. No último día producíronse 738 novos falecementos, un 27% máis, sumando xa 3.434. As comunidades autónomas con máis novos casos seguen sendo Madrid e Cataluña, con máis de dous mil contaxios novos cada día. Madrid, A Rioxa, Navarra, País Vasco, Castela-A Mancha, Castela-León e Cataluña son os territorios con máis casos por habitante.Un dos aspectos que segue a preocupar máis é a capacidade do sistema sanitario de facer fronte ao crecente número de ingresos hospitalarios, sobre todo en UCI. O número total de persoas infectadas polo coronavirus en Galicia que foron ingresadas nos centros sanitarios é de 478, 409 en unidades convencionais e 69 na UCI. Os ingresos en UCI aumentaron en 15 persoas con respecto ao día anterior.O número total de persoas infectadas polo coronavirus en Galicia que foron ingresadas nos centros sanitarios é de 478, 409 en unidades convencionais e 69 na UCIEste martes a Consellería de Sanidade estimou que precisará ata 4.000 camas hospitalarias para atender casos de coronavirus. Os datos máis recentes do catálogo hospitalario do Ministerio de Sanidade especifican que a sanidade pública dispón en Galicia, concretamente, dunhas 6.400 camas dependentes do Servizo Galego de Saúde. O total de camas públicas "instaladas", segundo estes datos, son algo máis de 7.000. A estas poderíanse sumar as ao redor de 2.000 camas existentes nos hospitais privados. En Galicia hai, ademais, 274 camas en unidades de UCI.A maior parte dos casos de coronavirus rexistrados non presentan síntomas graves e polo tanto se atopan nos seus domicilios en illamento. Estas 1.120 persoas representan o 70% dos total de positivos confirmados en Galicia, unha porcentaxe que apenas variou na última semana.Por primeira vez Vigo é a área que presenta máis casos de coronavirus, con 396 (eran 312 hai 24 horas)Por áreas sanitarias, os datos amosan que por primeira vez Vigo é a que presenta máis casos de coronavirus, con 396 (eran 312 hai 24 horas). Mentres, A Coruña ten 389 (eran 359). Unha das áreas que máis incrementou o seu número de casos é a de Santiago, que suma 288 (onte eran 239). Pontevedra ten 202 (eran 179) e Ourense presenta 186 (eran 152). Lugo practicamente non sumou novos casos, sumando agora 99 (eran 97) e Ferrol ten 38, dous máis que onte (cando o número de casos descendera).
NOS_45724
Técnicos da Xunta realizan unha primeira avaliación dos danos e asesoran os viticultores dos pasos a seguir para minimizar as perdas ás portas da vendima.
As tormentas de sarabia caídas na tardiña desta cuarta feira provocaron danos nas vides da Denominación de Orixe do Ribeiro que "aínda están por avaliar", confirmou o presidente do Consello Regulador, Juan Manuel Casares. "Ten que escampar o tempo para comprobar a magnitude dos danos", declarou o presidente da denominación de orixe, á espera do que pase esta quinta, xornada na que se prevé que volvan as tormentas. De feito, Meteogalicia mantén o aviso amarelo por treboadas entre as 15 e as 21 horas en todas as comarcas do interior de Lugo e Ourense. Segundo Juan Manuel Casares as zonas que se viron máis afectadas foron as de "Gomariz en Leiro, Cabandelas no Carballiño, Pazos de Arenteiro en Boborás e Riobó en Cenlle", informou. Á espera de confirmar as desfeitas, o presidente do Consello regulador recoñeceu que a situación se agrava ante o inminente inicio da vendima. "En dez ou quince días comezaría a maior actividade de recollida da uva na zona", destacou, á espera de estimar as consecuencias sobre o terreo para un sector estratéxico. Preocupación A preocupación das tormentas esténdese a outras Denominacións de Orixe como a de Valdeorras, na cal algunhas adegas xa iniciaron a colleita. A sarabia tamén provocou estragos noutros produtos agrícolas, principalmente destinados ao autoconsumo que están en plena maduración nestes días como é o caso dos tomates. Asesoría da Xunta Pola súa banda, a Xunta enviou os técnicos da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía da Galiza (Evega) até a zona do Ribeiro co fin de realizar unha avaliación provisional dos danos e asesorar os viticultores e as adegas afectadas. Estes profesionais, segundo informou a Consellaría de Medio Rural nun comunicado, encargaranse de orientar aos produtores prexudicados sobre os tratamentos que deben levar a cabo nos viñedos con maior celeridade e sobre as prácticas máis aconsellábeis co obxectivo de minimizar as perdas. Neste sentido, a Evega advirte de que é necesario "adoptar as medidas preventivas coa aplicación de bioprotectores ecolóxicos sen prazo de seguridade ou de baixo prezo", co fin de frear no posible os danos nos acios e sen que afecte á hixiene da colleita. Ao tempo, a Consellaría de Medio Rural lembrou aos produtores que se poden acoller á orde de axudas que convocou o Goberno galego en xaneiro para fomentar os seguros agrarios e que conta cunha dotación de 6 millóns de euros.
NOS_31461
A abstención superou finalmente en máis de 10 puntos a de 2009, e non só algo máis de 1 punto como se recollía na web do goberno autonómico na noite electoral
O portal electoral da Xunta comparou a participación provisoria do 21-O coa definitiva --co voto CERA escrutado-- de 2009. A diferenza real entre os votos emitidos en Galiza nas respectivas xornadas electorais era de 7 puntos, tal e como se recollera durante os avances de participación, e non de pouco máis de 1 como sinalaba o portal electoral do goberno galego. A porcentaxe de galegas e galegos que votou o 21-O foi do 54,9 %, máis de dez puntos por baixo que en 2009. Finalizado o escrutinio do voto da diáspora, os datos de participación final amosan un ascenso moi significativo da abstención. A participación nos comicios do pasado 21-O situouse no 54,9%, máis de dez puntos por baixo da rexistrada nas eleccións de 2009, cando atinxira o 64,43%. A modificación da lei electoral, coa implantación do denominado voto rogado, polo cal as persoas con dereito a voto no exterior teñen que o solicitar previamente, fixo descender dun xeito notábel o coñecido como voto CERA (censo de residentes ausentes). Porén, este factor non explica por si propio a acusada diminución no número de votos. Así se deduce de comparar os datos da propia noite electoral, excluíndo xa que logo o voto exterior. En 2009, na xornada electoral do 1 de marzo, máis do 70% do censo en Galiza votou. En 2012, o pasado domingo 21, só exerceron o sufraxio no noso territorio o 63,8%. Case sete puntos de diferenza --a mesma porcentaxe que se recollían nas cifras de participación provisional ofrecidas ao longo da xornada-- mais que curiosamente se esvaeu das cifras oficiais do portal da Xunta cando se iniciou a cobertura dos escrutinio, reducíndoa a pouco máis dun punto. Trátase dunha evidente manipulación estatística, con que o goberno galego pretendería disimular a forte queda da participación para, desta maneira, dotar de maior lexitimidade social o resultado. Mais non houbo --estritamente-- datos falsos, senón que se compararon magnitudes diferentes. No portal electoral da Xunta comparábase a participación provisional de 2012 sen contabilizar o voto CERA, que sería escrutado días despois, coa definitiva de 2009 (da cal si se descontara o voto exterior), polo que en lugar de figurar o 70%, sinalábase o 64,43% en referencia aos comicios de catro anos antes, feito que non se explicaba na información institucional ofrecida. Foi ese truco estatístico o que provocou que as análises da propia xornada electoral e dos días seguintes non puidesen recoller como un factor determinante a baixada real na participación que, posteriormente, o voto CERA alongaría até máis de dez puntos de diferenza. Resultados no exterior Doutra banda, o voto CERA non alterou os resultados do 21-O e confirman a tendencia pola cal o voto exterior acostuma apoiar a forza política que estea no goberno. En 2009 o maior apoio recibiuno o PSdeG e desta volta o PP. En porcentaxe de votos salienta o 49,2% obtido polo Partido Popular, seguido polo 29,8% do PSdeG-PSOE. AGE fíxose coa terceira posición por apenas 14 votos de diferenza co BNG, rexistrando o 4,76 e o 4,65% dos votos respectivamente. A nivel provincial a praza forte do PP foi Pontevedra cun 53,06%, a dos socialistas A Coruña (32,32%) e o BNG mantívose como terceira forza en Lugo e Ourense. Duro retroceso para PP-PSOE Co escrutinio definitivo, as cifras constatan que PP e PSOE foron as forzas máis castigadas electoralmente, seguidos polo BNG, que sufriu un importante descenso motivado en boa medida polo transvase de voto para AGE. Socialistas e Populares suman máis de 350.000 sufraxios perdidos, dos cales o PSdeG-PSOE leva a maior parte, con 227 mil votos menos. Deste maneira o electorado galego tería castigado severamente as principais forzas políticas de ámbito estatal, nunha reacción perante as políticas de austeridade impulsadas por ambas as dúas desde os respectivos gobernos centrais. Novo Parlamento A cámara galega resultante dos comicios do 21-0 constituirase o vindeiro día 16. O presidente en funcións, Alberto Núñez Feijóo, manifestou a intención do seu grupo de axilizar os trámites de constitución do Parlamento para acelerar o proceso de debate dos orzamentos do vindeiro exercicio. Por vez primeira desde 1997, cando a escisión de IU –Esquerda de Galicia--, liderada por Anxo Guerreiro, obtiña representación en coalición co PSdeG e pasaba a integrar o grupo mixto, haberá máis de tres grupos parlamentares na Cámara coa entrada da Alternativa Galega de Esquerda. A coalición entre Anova e Izquierda Unida xa fixo pública a súa decisión de integrar un mesmo grupo, aínda que @s deputad@s de IU reunirían por si propi@s as condicións necesarias para constituíren grupo de seu. A entrada de AGE, como terceira forza, producirá tamén cambios na composición dos diferentes organismos da cámara. Neste sentido, o BNG podería perder a súa representación na mesa do Parlamento, integrada por cinco persoas, dado que ao PP como grupo maioritario lle corresponderían tres dos cinco asentos, restando dúas prazas para seren repartidas entres os tres grupos da oposición. Polo momento non transcenderon os nomeamentos de voceiras e voceiros dos diferentes grupos, agás no caso do BNG, en que xa fica confirmado que recaerá en Francisco Jorquera. Pola súa banda, Feijóo xa anunciou que prevé manter o seu actual gabinete, no cal non se realizarían cambios n@s titulares das consellarías. A continuidade será tamén a tónica dominante nas delegacións territoriais da Xunta. Esta información é un dos contidos do número 22 do semanario Sermos Galiza en papel. Pódese facer cun exemplar mercándoo nos quiosques ou subscribíndose para o recibir no seu domicilio.
NOS_37288
Durante todo o día, Outeiro de Rei será o centro da cultura na xornada de inauguración da Casa Museo Manuel María. Música e literatura da man nun programa que se prolongará durante todo o sábado no que se abrirá ao público a casa natal do escritor, un novo centro cultural para o país.
A inauguración oficial terá lugar ás 11.30 horas mais a cita máis popular dará inicio ás 14 horas, co xantar na carballeira de Santa Isabel, espazo literario e sentimental para Manuel María nun convívio no que se agardan máis de medio milleiro de persoas. Manuel María é ,con Rosalía, o máis cantado dos poetas e no programa cultural convócanse algunhas das principais voces que puxeron música aos seus textos. Fuxan os Ventos, Miro Casabella, María Manuela, Uxía, Berrogüetto ou Roi Casal levarán as cancións con versos do escritor á Casa das Hortas na que naceu. Tamén o Mago Antón intervirá nunha xornada cultural na que a poesía, da man de amigos e amigas de Manuel María, terá un espazo especial. Durante todo o día realizaranse visitas guiadas á Casa Museo que se converterá nun espazo de referencia para a figura e obra de Manuel María ademais dun centro cultural aberto.
NOS_8019
A Mesa da Cámara Baixa rexeita por ser "materia allea" ao control parlamentar sobre o Executivo estatal as solicitudes de comparecencia presentadas polo BNG e outras forzas soberanistas para que Pedro Sánchez e Carmen Calvo dean explicacións sobre a "implicación" do Goberno español na fuxida de Xoán Carlos I de Borbón.
A Mesa do Congreso opúxose esta sexta feira, 21 de agosto, á petición de comparecencia de representantes do Goberno español sobre a decisión de abandonar o Estado tomada polo rei emérito, Xoán Carlos I de Borbón. A Mesa rexeitou a solicitude considerando que se trata esta dunha "materia allea" ao control parlamentar sobre o Executivo. A petición foi presentada por BNG, EH Bildu, ERC, Junts CUP, Compromís e Máis País e nela pedían a comparecencia do presidente español, Pedro Sánchez, así como da vice presidenta, Carmen Calvo, para que explicasen as xestións do Goberno coa Casa do Rei en relación coa marcha de Xoán Carlos I aos Emiratos Árabes Unidos.
NOS_1689
O Museo de Arte Contemporánea de Vigo exhibe, até o vindeiro 16 de outubro, unha exposición de Francisco Leiro centrada en obras que teñen a figura humana como tema principal. Sen ser unha retrospectiva, a mostra permite observar a evolución do artista, así como a fidelidade aos seus principios estéticos.
Entrar no Museo de Arte Contemporánea (Marco) de Vigo supón atoparse cunha galería de xigantes, corpos robustos que se converten en tótems intimidantes, figuras colosais inmersas en cerimonias herméticas o en ritos que reflicten os conflitos sociais que asoman á actualidade recorrentemente. O antropomórfico, o corpo humano, constitúe a base do alfabeto co que traballa Francisco Leiro, un silabario co que nos transporta a un universo que se sitúa entre un tempo mitolóxico e remoto e a contemporaneidade máis palpitante. O antropomórfico, a exposición que se pode ver até o 16 de outubro no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, centra a atención nese aspecto da obra de Leiro -talvez o máis substancial- para mostrarnos Escorredoiras, Pavitas, Androias, Jaivotas, Homes de pau, Danzantes e Ceboliños: unha panoplia de figuras que conxugan o tráxico e o humorístico, o monumental e o próximo. Francisco Leiro: ollar os corpos Dunha forma ou doutra, Leiro é un narrador, un artista cuxas creacións contan historias a quen queira velas. Non é difícil ver tras das súas obras o pouso popular -de lendas e contos irónicos e retranqueiros- co que se achega aos temas que trata. Tampouco é complicado ver un certo sentido case relixioso na devoción con que se achega aos corpos: unha especie de versión desacralizada de todas as mitoloxías que achegan o mundo dos seres humanos e o dos deuses. E talvez ese desencontro entre os altos voos da nosa imaxinación e o peso que nos ata a terra é o que dá a clave do gran tema da escultura de Leiro: a fraxilidade do ser humano, a vulnerabilidade desa raza con pretensións divinas e corpo bestial. Un corpo sagrado, mais que marca con crueza os patéticos límites da ambición. O peso do mundo En realidade, ese paradoxo é o que está no fondo do substrato máis popular asumido por Leiro na súa maneira de tratar a dor humana: a distancia irónica que protexe, a materialidade da ferida, o peso do mundo. Escala e materia contribúen a visualizar ese desencontro entre o real e o ser humano: granito, bronce e, sobre todo, madeira adoptan proporcións sobrehumanas para reflectir a grandeza do drama que se desenvolve acotío e que as súas criaturas escenifican nun teatro interminábel. Testemuñas do seu tormento, entendemos mellor a violencia que preside a existencia. "Leiro é un galego de pura cepa, un artista dunha peza, un home cun talento extraordinario" A contrapelo A exposición do Marco non é exactamente unha retrospectiva, mais inclúe traballos realizados desde mediados da década de 1980 até hoxe mesmo. Iso permite comprender mellor a excepcionalidade dun artista que se deu a coñecer como escultor a contrapelo, nunha época en que o mundo da arte exaltaba a pintura como fórmula de encontro coa modernidade. Mais na súa obra percibíase xa unha curiosidade pola arte de todas as épocas e todas as xeografías -da Grecia clásica ao surrealismo francés, das artes populares mexicanas á refinada obra de quen se pode considerar a súa inspiración primixenia, o escultor Asorey- que o insería nunha tradición humanista quizais non suficientemente entendida: os moldes clásicos xa estaban presentes. A forza que exsudaba a súa obra e o diálogo que estabeleceu entre ambas beiras do Atlántico, cando comezou a traballar entre Nova York e Cambados, acabaron por reafirmalo como un dos grandes nomes da escultura internacional. Tamén un tanto a contrapelo, xa que nunca renunciou a seguir espremendo o manancial da figuración, nun tempo en que a abstracción semellaba a única vía valida. As procuras de Francisco Leiro Hoxe, a obra de Leiro é xa un exemplo de como o diálogo entre a tradición local e as formas expresivas chegadas doutros lugares do mundo conforman o caldo de cultivo perfecto para crear novos paradigmas creativos que renoven -no seu caso, cada vez dun modo máis complexo e sofisticado- o caudal da arte. A maneira en que as súas esculturas ocupan o espazo das diáfanas salas do MARCO -como unha procesión que vai máis alá do monumental para complexizar as relacións espaciais- outórganlle ao lugar un toque case máxico e estimulante que o transforma nun contundente desafío as expectativas e á gravidade. O encontro entre os corpos e as circunstancias que os angustian As obras reunidas no "antropomórfico" teñen o seu punto de arranque nas súas viaxes a México, no momento en que decide abrir estudio primeiro en Madrid e despois en Nova York, buscando novos diálogos e estímulos. En México sorpréndelle a escultura azteca, as súas formas quebradas, a súa dureza, mesmo a súa natural crueldade. Aí comeza a formular obras que reúnen situacións de enfrontamento, de dor: a loita entre o corpo orgánico e o que o atormenta.
NOS_28173
A Asociación de Actrices e Actores de Galicia, Asociación de Guionistas de Galicia, da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, o Observatorio Audiovisual de Galicia, AGAPI e a Academia Galega do Audiovisual veñen de publicar un comunicado conxunto no que cualifican de "grave" o desmantelamento do CGAI.
Son os principais colectivos que agrupan o sector e veñen de posicionarse en contra da redución do 40% do cadro de traballadores do Centro Galego de Artes da Imaxe, con sede na Coruña. "Corremos o risco de desatender a tarefa de restaurar, conservar, catalogar e manter como ben público a memoria visual -sempre fráxil- deste país. E iso é grave. Sen memoria, apenas somos nada". No comunicado denuncian que esta decisión, tomada por AGADIC, é "un erro fatal, froito ou da ignorancia ou da falta de autoestima. Nada tan destrutivo -e enganosamente silencioso- como a indiferenza, o desleixo, o abandono". O CGAI, que debería ser a nosa filmoteca nacional con maiúsculas, encóntrase neste momento nunha situación moi delicada despois de que na Mesa xeral de negociación de empregados públicos, celebrada o día 30 de maio, a Administración da Xunta seguira adiante coa súa proposta de amortizacións e despedimentos, concretados no 40% da plantilla total do CGAI e no 50% da plantilla da área de proxeccións. No comunicado din: "É un erro fatal, froito ou da ignorancia ou da falta de autoestima. Nada tan destrutivo -e enganosamente silencioso- como a indiferenza, o desleixo, o abandono". Deste o sector sinalan que precisamente porque nos últimos 25 anos a produción audiovisual galega se multiplicou, é preciso aumentar os recursos destinados a esta institución dedicada á preservación e difusión do patrimonio audiovisual galego. É preciso, segundo eles "reverter esa tendencia, manter e facer medrar os recursos do CGAI deberan ser unha prioridade cultural deste país". E esixen que sexa "xestionada adecuadamente, dotándoa do persoal e medios necesarios para o seu óptimo funcionamento". "Falta de interese" Segundo denunciou a CIG, na Mesa de negociación, á que asistiron representantes da Xunta, do AGADIC e dos Sindicatos, a Xunta manifestou "claramente a falta de interese do goberno do PP na cultura galega e no patrimonio audiovisual e fotográfico galego". Pero ademais, en opinión da central nacionalista, a Xunta aproveita esta modificación para despedir traballadores, coa disculpa de que non hai carga de traballo. Esa situación vai supor cando menos unha merma importante dos servizos públicos que viña desenvolvendo ata agora o CGAI. Aí mesmo, engaden que o Executivo propón a amortización de tres postos, pero ademais non se está a cubrir a praza doutro traballador que se atopa en excedencia e, debido á falta de reposición de prazas, a biblioteca especializada en audiovisuais, o servizo de préstamo e a área de exposicións xa se encontran pechadas desde hai máis dun ano.
PRAZA_11998
O camiño que Escocia está desbrozando vano seguir outros países. Catalunya a non moito tardar. E Euskadi tamén. Axiña que se acheguen as vindeiras eleccións autonómicas, tanto a esquerda abertzale como o PNV promoverán o debate. Pero, a diferenza de Escocia, Catalunya ou incluso Galicia, Euskadi ten un problema de articulación territorial
Mentres a esquerda europea adoece de alternativas cribles para gobernar a actual crise económica, na mesma columna da Europa máis tradicional, conservadora e presa do pasado, xorde unha terceira vía para ilusionar á ciudadanía e colleitar votantes de cara a establecer un novo Estado na Unión. Mentres os partidos tradicionais amosan unha impotencia case absoluta para conectar coas demandas sociais, unha nova tese agroma nalgunhas nacións que non contan, aínda, con Estado: a do nacionalismo económico. É dicir, aumentar o autogoberno ata constituírse en Estado propio para dar unha resposta local a unha crise global e, de paso, manter as señas propias de identidade. Xusto o contrario que predica o nacionalismo español, que sempre necesita un inimigo: pode ser interior (vascos, cataláns…) ou externo (os franceses, os ingleses que non devolven Xibraltar). É unha evidencia que son os países máis pequenos os que mellor comportamento amosan nesta crise: Finlandia, Dinamarca, Suecia, Luxemburgo, Austria. Todos eles con taxas de desemprego inferiores ao 10%, con tecidos produtivos de alto valor engadido, punteiros en empresas tecnolóxicas e enerxías limpas; respectuosos co entorno natural, e con Estados do benestar bastante máis desenvolvidos do que nos ofrece o tándem Feijoo-Baltar family. Países cunha fiscalidade ben equilibrada, sen apenas fraude, onde se persegue a quen tenta rirse dos máis evadindo impostos. Países onde os gobernantes actúan con man firme contra os corruptos e non din iso de "se lles subimos os impostos, as empresas vanse". Vaise Nokia de Finlandia? Vaise Ikea de Suecia? Quizais Porsche de Austria? Así que feita esta análise, os partidos ousados acaban asumindo que só hai un camiño para manter a identidade e, ao tempo, desenvolver unha economía sólida: a independencia. Xa no 1709, Daniel Defoe contaba na célebre novela "Robinson Crusoe" que "por cada escocés a favor da Unión cos ingleses, hai 99 en contra". Aquel foi o ano onde a autonomía escocesa foi eliminada coa Acta da Unión, e agora, tres séculos despois, os escoceses poderían decidir de novo se queren permanecer unidos ou prefiren camiñar en solitario. O principal dirixente do Scottish National Party (SNP), Alex Salmond, sacou á súa formación da marxinalidade hai uns anos coa proposta de independencia no 2014, promovida mediante un debate nacional que, de momento, vai gañando claramente, pois o SNP era a terceira forza política do país e agora converteuse na primeira, goberna coa maioría no Parlamento de Edimburgo e está en disposición de convocar un referendo sobre a independencia de Escocia. Contrariamente ao que sucedería en España, os conservadores británicos non refugan o debate. É máis, entran a el coa súa proposta. É máis probable que se atope vida intelixente en calquera planeta da Vía Láctea antes de que en España os partidos maioritarios debatan con seriedade e argumentos unha proposta así. Salmond baséase no histórico enfrontamento entre escoceses e ingleses, pero sublima as súas posibilidades cun discurso centrado, no que a economía xoga un papel clave. Viviremos mellor se contamos coas nosas propias ferramentas de xestión. O camiño que Escocia está desbrozando vano seguir outros países. Catalunya a non moito tardar. E Euskadi tamén. Axiña que se acheguen as vindeiras eleccións autonómicas, tanto a esquerda abertzale como o PNV promoverán o debate. Pero, a diferenza de Escocia, Catalunya ou incluso Galicia, Euskadi ten un problema de articulación territorial. Euskal Herria compónse de sete territorios: a Comunidade Autónoma Vasca, a Comunidade Foral de Navarra, e os tres que están baixo administración francesa. Aí habita o pobo vasco, pero non todos os vascos teñen o mesmo apego nacional e, se o teñen, non necesariamente consideran que deba traducirse políticamente en maior autogoberno. Por exemplo, os vascofranceses séntense moi vascos, pero tamén franceses, e nunca viron prioritario abrir un proceso soberanista. Coma moitos galegos, por certo. Se as forzas abertzales decidiran, dunha vez por todas, abrir o debate independentista en canal, atoparíanse cunha bifurcación de camiños: nun deles, a posibilidade real de independencia só para Araba, Bizkaia e Gipuzkoa. No outro, seguir integrados en España pero tratando de seducir cada vez a máis navarros e vascofranceses. E aí radica o péndulo abertzale: o carreiro da dereita ou o da esquerda. Ou irse unha parte, ou agardar e ir todos xuntos. Escocia e Catalunya non teñen ese problema: todos os cidadáns saben realmente cal é o suxeito político das súas nacións. E esa é outra das grandes derrotas de ETA: no canto de manter a unidade nacional,a súa violencia só logrou afastar a uns vascos dos outros.
NOS_50248
Segundo día de campaña eleitoral cara ao 25 de Maio. Relacionamos a seguir os actos principais do día. O acto central do BNG será en Ponteareas, o de AGE, en Cambre, o de Compromiso por Galicia, no Grove, o do PSdeG-PSOE, en Cangas, o do PP, en Ribeira.
BNG 10 h. Vigo. Ana Miranda toma parte nun encontro ambiental na Ría de Vigo. Museu do Mar; 11.30 h, a número un do BNG a Europa participa en Pontevedra nunha manifestación de emigrantes retornados e afectados polas preferentes, na Praza de Ourense; 17 h, Miranda será unha das ponentes nun debate sobre pobreza e exclusión social, no Cersia; e 21 h, mítin central en Ponteareas, con Xavier Vence, portavozo nacional. AGE10.30 h, Lidia Senra reúnese en Vigo, no Parque de Limieriños, con comuneiros do Monte Cabral; 12.30 h, mítin con Yolanda Díaz e Lidia Senra, en Redondela, na Alameda; 20 h, mítin en Cambre, no centro sociocultural do Graxal, con Lidia Senra. Compromiso por Galicia Acto sobre o mar. Lonxa de O Grove. 19:30H, con Paulo Carlos López. PSdeG-PSOE 11 h. José Blanco visita o mercado de Vilagarcía, na Casa do Pobo; 12.45 h, en Pontevedra, participa nun encontro con emigrantes retornados, na sede provincial do PSOE; 20.30 h, toma parte no mítin central, en Cangas, no Hotel Jucamar. PP 13 h. Mítin na Estrada (Pontevedra), con Feijóo e a ministra de Fomento, Ana Pastor, no Teatro Principal; 20 h, mítin en Ribeira, con Feijóo, no Pavillón de A Fieiteira.
PRAZA_17485
A viabilidade dun acordo sobre un proxecto de reforma estatutario vai depender da capacidade destas forzas para facer unha lectura acaida desa nova vontade social maioritaria en favor dun autogoberno de máximo nivel para o século XXI. Atopámonos, mais unha vez, ante un coñecido dilema nos procesos de transformación social: o desexábel e o posíbel.
O 28 de xuño de 1936 forma parte dunha das páxinas mais fermosas da historia galega do último século. Porén, a lembranza daquela consulta popular que aprobou un novo sistema de poder político nacional non forma parte das preocupacións fulcrais da meirande parte das forzas políticas que conforman o actual mapa político do País. Trinta e oito anos é un tempo suficiente para avaliar a calidade dunha obra humana. O percorrido histórico do actual Estatuto de Autonomía ofrece o material necesario para realizar unha análise das luces e das sombras desta norma básica. A partir desa constatación empírica, resultaría verosímil acometer unha reforma significativa do mesmo sempre e cando existira unha vontade política favorábel á mellora da calidade do autogoberno. Calquera mirada retrospectiva sobre o nacemento do Estatuto galego non debería esquecer as características do mapa político daquel momento. As dúas forzas políticas herdeiras da elite franquista (UCD e AP) dispuñan dun apoio electoral maioritario que traducía un estado de opinión social pouco ou nada esixente a respecto dun marco competencial elevado para as institucións galegas que se deseñaban no novo modelo constitucional. O conxunto do nacionalismo político tiña recibido un nivel de votos moi limitado e ofrecía unha dupla visión diverxente sobre a utilidade da reivindicación estatutaria:dende quen defendía a importancia de mobilizar a cidadanía por unha autonomía de calidade equivalente á establecida no Pais Vasco e Catalunya ate quen entendía que o mais procedente era rexeitar calquera fórmula autonomista e postular un pacto confederal das comunidades nacionais que habitaban no Estado español. O texto sometido ao referendo do 21 de decembro de 1980 establecía un nivel de autogoberno inferior ao que se contemplaba no dos seus homónimos vasco e catalán a pesar das rectificacións introducidas como consecuencias das masivas manifestacións rexistradas ao remate de 1979. Nesas circunstancias, o inevitábel voto negativo daquela parte do nacionalismo organizado que apostaba por un Estatuto de maior contido privou a esta norma básica dun nivel de consenso político semellante ao que se tiña rexistrado nas outras nacións históricas. Polo demais, as cifras finais do plebiscito certificaron a existencia dunha maioritaria desafección do corpo electoral que non sintonizaba coas mensaxes emitidas polos seus representantes políticos. A partir de 1981 o desenvolvemento do Estatuto galego padeceu as consecuencias de dous fenómenos simultáneos:a posta en marcha do chamado "café para todos" e a carencia de apoios electorais suficientes para aquelas organizacións políticas que acreditaban na virtualidade do autogoberno. Se a letra da norma tiña relevantes limitacións, o contexto externo e a propia vontade do corpo social neutralizaron unha boa parte das potencialidades contidas na mesma. Hoxe, a sociedade galega mudou significativamente a súa opinión a respecto do autogoberno. Todos os inquéritos coinciden na existencia dunha maioría que desexa elevar a capacidade de poder das institucións que naceron hai case 40 anos. Os partidos que conforman o actual panorama político galego tamén modificaron algunhas posicións anteriores ou revisaron certas tácticas do pasado. A viabilidade dun acordo sobre un proxecto de reforma estatutario vai depender da capacidade destas forzas para facer unha lectura acaida desa nova vontade social maioritaria en favor dun autogoberno de máximo nivel para o século XXI. Atopámonos, mais unha vez, ante un coñecido dilema nos procesos de transformación social: o desexábel e o posíbel. Publicidade
NOS_57327
O ataque dos EUA o pasado agosto de 2021 con drons na capital de Afganistán saldouse coa morte de 10 civís, nove delas crianzas. Os EUA descartan tomar medidas polo "terríbel erro".
O 29 de agosto de 2021, apenas dous días despois de que un ataque no aeroporto de Cabul se cobrase a vida de civís afgáns e trece soldados estadounidenses, o Exército de Estados Unidos de América (EUA) atacou cun dron un vehículo provocando a morte a 10 persoas civís, das que nove eran crianzas. No ataque tamén morreu Zamarai Ahmadi, que traballaba para unha organización estadounidense sen ánimo de lucro. O Pentágono cualifica de legal un ataque estadounidense que matou 10 civís afgáns Segundo admitiu o pasado mes de setembro de 2021 o xeneral estadounidense Frank McKenzie, un dos principais mandos do Pentágono, Ahmadi foi probablemente confundido cun posible integrante do Estado Islámico Provincia de Jorasán (ISKP) e abatido cun dron nun ataque que McKenzie cualificou de "terríbel erro". En decembro de 2021, o portavoz do Pentágono, John Kirby, anunciou que ningún militar se enfrontaría a medidas disciplinarias por este ataque con dron na capital afgá. Os EUA lamentaron na cuarta feira as mortes causadas polo ataque con dron. Waleed Saleh, profesor experto en mundo árabe: "Até os inimigos de Sadam estrañan o tempo do Baaz" "Tomámolo en serio. De feito, lamentamos as mortes que causamos e, aínda que non somos perfectos en termos de como as investigamos ou como falamos sobre elas, investigámolas e falamos sobre elas", dixo o portavoz do Pentágono. O portavoz do Departamento de Estado dos EUA, Ned Price, dixo que aínda hai perto de 1.000 nacionais en Afganistán, entre os que se atopan residentes legais que foron recolocados directamente fóra dese país coa axuda da Administración estadounidense. ISIS, principal sospeitoso das dúas bombas suicidas en Kabul "Estamos en contacto con varias persoas estadounidenses. Seguimos facendo todo o posíbel para apoiar o seu desexo de recolocarse e seguiremos facéndoo mentres haxa estadounidenses que desexen abandonar o país", afirmou Price en rolda de prensa. Os EUA empregan Ucraína na súa defensa O portavoz do Pentágono, John Kirby, empregou o conflito entre Rusia e Ucraína para defenderse diante das responsabilidades dos EUA no ataque con drons que matou a 10 civís, nove destas persoas crianzas, no pasado mes de agosto de 2021. "Que escoitas dos rusos hoxe? Que escoitas de Moscova? Que escoitaches de Putin onte á noite?", aludiu Kirby en defensa do Goberno dos EUA.
NOS_16018
O Pontevedra Rugby Club (PRC) conseguiu impulsar un equipo feminino para participar na División de Honra B estatal. A pasada fin de semana foi o seu primeiro encontro contra o BUC Barcelona que, malia rematar con derrota (0-94), abre unha tempada de ilusión para unha formación que reúne compoñentes de todo o sur do país. Unha das súas xogadoras, Marta Gómez, explícanos esta experiencia e fálanos do seu percorrido como deportista.
Cal foi o seu percorrido neste deporte? É unha historia un pouco longa. Meus irmáns xogaron toda a vida ao rugby no Pontevedra mais eu ao principio xogaba ao baloncesto. Decidín deixalo e como quería seguir facendo deporte metinme a entrenar con eles. Comecei con 17 anos e até os 18 anos este deporte é mixto, polo que competía no mesmo equipo que meu irmán. Despois, xa non podía xogar con eles e comezou a xurdir a idea de crear o equipo feminino para que as mozas que xogabamos tivésemos un lugar onde continuar no Pontevedra. Despois de moito esforzo saíu esta oportunidade. Pensou nalgunha ocasión de que chegaría a competir a nivel estatal? Non, xamais. Notei a diferenza nos adestramentos, nas ganas que hai, no centradas que podemos chegar a estar. Polo que vexo en min e nas miñas compañeiras nótase moita emoción. É unha oportunidade, tanto para aprender como para desenvolvernos como xogadoras. Que agardan deste proxecto como xogadoras e como club? Como pasa con todo o que teña a ver coas mulleres nesta sociedade. No deporte estamos moi invisibilizadas e hai moi poucas oportunidades para as mozas que queremos xogar. Tes que buscarte moito a vida para poder competir, sobre todo a nivel amador. É difícil. Nós levamos tres anos tentando crear o equipo en Pontevedra e non hai forma. Non hai promoción por ser un deporte considerado 'de homes', mais con esforzo todo se pode. A parte económica, a profesionalización, está lonxe? Aspirar a vivir deste deporte é unha cuestión que está moi lonxe. O rugby en si está moi esquecido, non é como o fútbol ou o baloncesto, que se coñecen moito máis e hai máis posibilidades. Como exemplo, todos os adestradores que temos no club non cobran. A nivel galego coido que non hai na Galiza quen viva deste deporte. Os medios de comunicación poderíamos facer algo máis para a súa difusión? Entrevistas como esta axudan, desde logo. Está claro que o fútbol non é o único deporte que existe no mundo e non só hai interese por determinadas figuras do deporte. É importante visibilizar que outras persoas practicamos deportes diferentes, aínda que sexa pouco a pouco. Interesándose por nós xa é un pequeno paso. Faría falta, polo menos, informar dos resultados ou facer resumes dos partidos. Mesmo algunha retransmisión. O partido desta fin de semana foi retransmitido por streaming e hai imaxes suficientes como para que a propia TVG se interese, coa importancia que ten que un equipo galego feminino chegue a unha competición estatal. Iso si, a unha hora que poida ter audiencia. Como se vive no equipo a pandemia? Estamos a traballar con tres protocolos á vez: o da Federación galega de rugby, o da Federación española a nivel estatal e nós fixemos un propio para participar na División de honra. Adestramos con máscara e o máis complicado é que non podemos empregar os vestiarios. Nos desprazamentos, temos moito coidado de non vir varias no mesmo vehículo. Que lle diría a unha rapaza para que se anime a practicar rugby? Diríalle, de entrada, que non teña medo. O rugby é un deporte que a simple vista asusta moito pola imaxe que dá. Mais vai aprender moitísimo, sobre todo valores, e a pasalo moi ben. Ademais atopará unha familia nova.
NOS_16224
A previsión de agravamento nos problemas de abastecemento de petróleo e, en consecuencia, a imperiosa necesidade de controlar os recursos enerxéticos, representan unha das causas da nova operación impulsada polos EUA en Venezuela. Eis un extracto da análise publicada no número 333 de Sermos Galiza.
A estas alturas ninguén pode negar xa que a auto-proclamación de Juan Guaidó como presidente "Encargado" de Venezuela forma parte dunha operación deseñada polos Estados Unidos, despois de anos de preparación do terreo, con ataques á economía venezolana, actuacións de acaparamento de produtos, noticias fabricadas sobre fame e mortes por desnutrición, provocación de momentos de grande tensión coa actuación de grupos violentos opositores. A inestabilidade e a violencia estendidas no tempo,e a acción da inmensa maioría dos medios de comunicación a nivel planetario,levaron a que hoxe grande parte da opinión pública internacional considere que urxe rematar coa suposta catástrofe humana na que polo visto está sumida Venezuela. Pero os problemas, que non podemos negar, son moi inferiores aos existentes noutras latitudes nas que si que hai millóns de persoas en situación crítica. E a degradación da situación en Venezuela ten un máximo responsábel,é o imperialismo norteamericano que impide a un Estado soberano andar libremente o seu camiño. O debate non é se estamos con Maduro ou non estamos con Maduro; o debate é se Venezuela pode exercer a súa soberanía ou debe axeonllarse, como case toda América Latina e a Unión Europea diante dos intereses dos EUA. Os EUA están consideradoshoxe o maior produtor de petróleo do planeta sendo ao tempo o maior consumidor; pero a recuperación da condición de maior produtor, que non ocupaba desde os anos 70 do século pasado, ten uns grandes custos económicos e medioambientais, debido fundamentalmente ao emprego da técnica do fracking. E a dependencia petrolíferados EUA fai que deba importar cada vez maiores cantidades, e controlar as reservas doutros Estados para poder manter intacta a súa reserva estratéxica de cru. Venezuela vende aos EUA o 40% do seu petróleo, posúe as maiores reservas mundiais deste combustíbel fósil e as sétimas de gas; ademais, fontes fiábeis sinalan que conta con importantes xacementos de ouro, cobre, coltán, ferro, níquel, bauxita e terras raras (denominación que reciben 17 elementos químicos difíciles de atopar e considerados estratéxicos para a alta tecnoloxía). [Podes ler a análise íntegra no número 333 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
PRAZA_13575
Vigo acolleu este sábado a Homenaxe Nacional a Fernández Paz, organizada por Prolingua. O acto converteuse nunha celebración do compromiso do escritor coa lingua, coa literatura, a educación e a nación.
"Xa chega, xa chega". Agustín Fernández Paz pedía papas, mais o auditorio non se rendía. Os aplausos sucedéronse nunha dioiva de beizóns tan incesante como cálida. Así concluía a homenaxe nacional coa que Prolingua quixo renderlle tributo a un dos máximos referentes das nosas letras. "Celebramos hoxe o compromiso de Agustín coa lingua, coa literatura, coa educación pública, coa nación", sinalou Rosa Aneiros, quen foi a encargada de presentar un acto que, nas súas propias palabras, "non é habitual" neste país. "Gústanos máis os prantos que os aloumiños", sentenciaba Aneiros. Se cadra, esta homenaxe foi unha excepción necesaria a tan reiterado costume patrio. Este sábado, en Vigo, os agarimos venceron con rotundidade a calquera tipo de velorio. A homenaxe foi unha excepción necesaria a tan reiterado costume patrio Os aloumiños abrollaron dende o preciso momento en que Aneiros se puxo ao outro lado do atril. Co seu saúda, arrancou unha homenaxe na que os amigos, os familiares e os compañeiros de xeración de Fernández Paz reivindicaron o seu esencial esforzo nos eidos da literatura, o ensino e a normalización da lingua. "Agustín é sementador e semente, arado e terra. Agustín é terra e sementa na terra con maiúsculas", aclamou o escritor Paco Martín, pai literario do Ramón Lamote, personaxe coa que se bautizou a xeración dourada da literatura infantil e xuvenil galega. O escritor lugués foi o primeiro en subir ao escenario do Auditorio de Policarpo Sanz para gabar a figura de Fernández Paz, do que destacou o seu esforzo docente. "É un referente obrigado para chegar a unha escola que sirva de alicerce para unha Galicia mellor", lembrou Paco Martín. "Embaixador da nosa identidade" Fernández Paz, na primeira ringleira do auditorio, observaba con emoción como varios dos seus mellores amigos subían ao escenario e intercalaban as súas agarimosas intervencións coa voz das nenas e nenos que participaron no acto. Alumnos do colexio Amor de Dios, do CEIP Eduardo Pondal, do Colexio Salesianos de Vigo e do IES Os Rosales, centro no que impartiu clase o escritor, leron fragmentos de libros como Contos por palabras ou Fantasmas de Luz. "Empeñácheste na dignificación da literatura infantil e xuvenil, de sacala da invisibilidade, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras" Eses alumnos, esas nenas e eses nenos, representaban as xeracións de rapaces que leron nas escolas os seus libros. Por eles converteuse en docente e para eles dignificou, xunto a toda unha xeración de autores, a máis que celebrada literatura infantoxuvenil galega. "Ti empeñácheste na dignificación da literatura infantil e xuvenil, de sacala da invisibilidade, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras", asegurou o tradutor e profesor Xavier Senín, quen chegou a designalo como "embaixador da nosa identidade". Pola súa banda, Xosé Lastra, de Nova Escola Galega, encargouse de lembrarlle o auditorio o papel desenvolvido polo homenaxeado na normalización da lingua no ensino. "Tiñamos que facer algo para que a nosa lingua tivese o espazo axeitado no ensino. Fixemos un longo camiño de normalización até chegar a estes tempos, que se volveron nefastos", asegurou. Facer nación Xabier P. DoCampo, quen pasou todo o acto centrado na organización, incidu no carácter nacional da homenaxe organizada por Prolingua. "É un acto nacional porque estamos aquí en representación da nación. Contigo, Agustín, somos nación. O que facemos aquí contigo é facer nación", asegurou un DoCampo cuxo discurso, aínda que breve, foi dos máis significativos. "O que facemos aquí contigo é facer nación", reivindicou Xabier P. Docampo Manuel Bragado, director de Xerais, quixo falar en nome da editorial na que Fernández Paz publica dende hai tres décadas. "Queremos moito a Agustín, é parte fundamental de nós. Queremos moito a Agustín porque sempre está en posición de escoitar e querémolo moito pola súa capacidade desmesurada de esforzo e compromiso", explicou Bragado, quen engadiu que a obra do homenaxeado era "unha denuncia do conformismo paralizante" e "un pombeiro de esperanza". No acto tamén se reservou espazo para dúas das paixóns de Agustín: a música e o cinema. Anxo Pintos e Begoña Riobó interpretaron varias pezas e Uxía, pola súa banda, cantou unha versión musicada do poema Maxicamente vello, de Manuel María. A cantante uniuse así á homenaxe a unha persoa á que admira. "É unha persoa que me fai acreditar na humanidade", sentenciou con rotundidade e agradecemento. A música deulle paso tamén a sétima arte e un novo aloumiño chegoulle a Agustín coas luces apagadas. O auditorio quedou a escuras para coñecer as fantasmas de luz de Fernández Paz, esas personaxes de celuloide que enxergamos, en cor ou en branco e negro, na pantalla dos cines. Á homenaxe a Fernández Paz uníronse así Hitchcock, Marilyn Monroe, Ingmar Bergman,Carl Theodor Dreyer, Chaplin, Nosferatu ou John Ford. Todo grazas a unha montaxe realizada por Martin Pawley e Eloy Domínguez. "O recoñecemento a toda unha xeración" Entre aplausos e tras recibir diversos regalos por parte das súas sobriñas, Fernández Paz subiu ao escenario. Era o momento máis agardado polo auditorio, aínda que, quizais, Agustín non compartía esas mesmas ansias. "Xa axustarei contas cos argallantes", chanceou Fernández Paz antes de agradecerlles a todos os asistentes a homenaxe. Nas súas palabras, Agustín quixo compartir o tributo con toda a súa xeración. "Este é o recoñecemento a toda unha xeración, a unha xeración que naceu xusto despois das guerras. Unha xeración que traballou moito, que se esforzou moito e que colaborou moito en proxectos cooperativos", sinalou Fernández Paz, quen tamén lembrou o seu labor como docente ao reafirmar a súa convicción de que "co traballo dende as aulas podemos cambiar o mundo". "Vivimos nuns tempos duros, si, pero aquí estamos coa seguridade de que non nos han dobrar", dixo o homenaxeado E, despois da nostalxia e as lembranzas, Fernández Paz reflexionou sobre o duro presente e o incerto futuro. "Vivimos tempos difíciles, nos que a listaxe de ataques medra cada día. Tempos duros si, pero aquí estamos coa seguridade de que non nos han dobrar. Como diría Manu Chao: Próxima estación esperanza", concluíu Fernández Paz antes de recitar, como gran colofón final, o poema 'Nunha cea de amigos' de Aquilino Iglesia Alvariño. E despois, a ovación. Unha dioiva de aplausos, un torrente de beizóns. "Xa chegou", dicía Fernández Paz, mais o público en pé dicía que non, que non chegara. Os aplausos nunca son suficientes.
PRAZA_11610
A empresa SMIT intenterá o refrote do buque entre o 11 e o 16, "no momento no que se dea unha combinación axeitada de marea alta e empeoramento do mar", logo de vinte días co barco encallado
Un mínimo de 19 días botará o quimiqueiro Blue Star na costa de Ares encallado no caso de que o plan para intentar remolcalo funcione e logo de que os traballos para retirar as 125 toneladas de gasóleo, fuel e aceites que contiña no seu interior rematasen o pasado luns. SMIT tentará o reflote do buque o día 14 "no momento no que se dea unha combinación axeitada de marea alta e empeoramento do mar"A empresa SMIT Salvage, contratada pola armadora, trazou un plan para intentar o remolque do buque a vindeira semana, entre o 11 e o 16, "no momento no que se dea unha combinación axeitada de marea alta e empeoramento do mar", tal e como explicou a Delegación do Goberno central en Galicia. Esa xornada sería o día 14. O éxito, paradoxalmente, para a retirada do barco enganchado nas rochas "dependerá de que haxa mal tempo" e de que grandes ondas e un elevado nivel do mar axuden na operación, tal e como explicou o director xeral da Mariña Mercante, Benito Núñez. Será nese momento de mar bravo e grandes ondas cando se intente o remolque dun quimiqueiro que embarrancou na costa nas últimas horas do pasado venres 22 de novembro logo dun problema que deixou o buque a mercé do mar en medio dun forte temporal. Baleiro de carga --ía cargar ao porto da Coruña--, o Blue Star partiu cara ao peirao coruñés cando o forte vento e as grandes ondas o arrastraron cara á costa. A empresa SMIT recoñece que o buque presenta numerosas fendas no dobre fondo e está á espera de coñecer a súa localización exacta e a súa importancia. Fondeado desde o xoves 21 na ría de Ares, abrigado ante o temporal, o barco decide pouco antes das 22 horas do venres saír da ría cara á Coruña. Desde a Torre de Control Marítimo ínstase a que se coloque a unha distancia prudente para poder ser remolcado nunha manobra normal na zona e nesas condicións. Só uns minutos despois, o buque perde velocidade tras un incendio a bordo, queda sen máquina e achégase perigosamente ás pedras. Apagado o lume, pero á deriva, o remolcador María Pita decide saír desde A Coruña e chega pouco antes das 12 da noite a unha zona á que se incorporan logo unha embarcación Salvamar e o helicóptero Helimer. Co quimiqueiro encallado, e desde primeiras horas da mañá, a veciñanza empeza achegarse á zona coa pantasma do Prestige na cabeza cando se cumprían 17 anos daquela desfeita. As dificultades para remolcar o Blue Star foron evidentes desde un principio. Remolcadores con máis potencia, como o Don Inda ou o Ibaizabal, non puideron tampouco retirar o buque tras rachar varios cabos en varios intentos. Finalmente, o armador contratou a empresa SMIT, que tivo que presentar un plan de reflote ante Capitanía Marítima. O Goberno central, ante o risco de vertido, puxo a condición de que calquera plan debería priorizar o baleirado do fuel e do gasóleo, unha operación que debía facerse antes de intentar o remolque. As dificultades para remolcar foron evidentes desde un principio, coa rotura de varios cabos en varios intentosAsí se fixo. Durante días, moitos deles cun mal tempo que dificultou as operacións, leváronse a cabo traballos para o baleirado dos líquidos contaminantes. Houbéronse de construír pistas para o achegamento dos camións cisternas aos cantís, asentar o terreo e montar unha tirolina para trasladar as mangueiras e outras ferramentas ao buque. Finalmente, o pasado luns, rematábase o transvasamento das máis de 120 toneladas de gasóleo, fuel e aceites. Agora levarase a cabo o intento de reflote do barco, unha operación complexa mediante a inxección de aire "a presión nos tanques de lastre" para conseguir que o barco gañe flotabilidade, momento no que, se hai ondas altas, dous remolcadores, que suman 350 toneladas de tiro, tirarán do buque. Na zona permanecerán o Don Inda e o Helimer de Salvamento Marítimo para labores de traslado de persoal "se fixese falta" e levarase a cabo un "seguimento diario e control das operacións para comprobar que o plan de reflotamento se vai cumprindo".Para evitar problemas, SMIT comprobará antes os danos e selará as zonas necesarias, ademais de soldar en popa os reforzos para que a toma dos remolques sexa segura. A operación de reflote implica a inxección de aire a presión nos tanques de lastre para que o 'Blue Star' gañe flotabilidadeO director xeral da Mariña Mercante advertiu de que nesta vindeira semana "esperarase o momento adecuado" para realizar a actuación xa que "a operación levará unhas horas". "Se o armador presentou este plan é porque confía no seu éxito", dixo, tras sinalar que o deseño correu integramente a cargo de SMIT pero que é revisado pola autoridade marítima española.As respostas aínda pendentesPola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou que a retirada do fuel e o gasóleo realizouse "con éxito" e que a actuación se completou nunha semana "desde o inicio esta primeira fase". Tan só houbo un pequeno susto cunha pequena vertedura de tres metros cadrados. Quedan agora, como case sempre, as análises que virán tras a retirada do buque e a fin de calquera risco. As cuestións sobre como un buque fondeado entre dous grandes portos exteriores, o da Coruña e o de Ferrol, acaba encallado e con problemas a poucos quilómetros de cada un deles. Ou se é recomendable que acabe sendo unha empresa holandesa a que acabe por ocuparse dun problema que é tristemente cotiá na costa atlántica galega, especialmente no norte. Ou tamén se unha zona que actúa como fondeadoiro non debería ter remolcadores con maior potencia de tiro dispostos a actuar desde un primeiro momento.
NOS_8668
A candidata ao Congreso do BNG pola circunscrición de Lugo, Olalla Rodil, participou dun acto na cidade amurallada xunto á portavoz nacional, Ana Pontón. Alí criticaron que Lugo siga contando "cun tren do século XIX" e que os postos de Alcoa periguen "nun país que exporta electricidade".
O BNG desprazouse a Lugo na segunda xornada de campaña electoral. Alí, nun acto que acolleu o IES Lucus Augusti, a candidata ao Congreso pola circunscrición lucense, Olalla Rodil, puxo a cidade das murallas como exemplo da política transformadora do BNG. "Cando confiamos en nós as cousas melloran. Dicían que era imposíbel, que a onde ía o Bloque. Pois darlle a volta a esa cidade, poñer Lugo a funcionar e liderar un proxecto que nos permita gañar o futuro e mirar con orgullo esta cidade sacándoa da parálise absoluta na que a tiñan", afirmou. Rodil expuxo que a decisión do 10-N pasar por "seguir mirando o que outros deciden por nós ou tomar as rendas da nosa vidas, convertendo Galiza nun actor da política do Estado". Finalizou a súa intervención cun chamamento aos días que restan de cara o 10-N. "Temos que falar con cada veciño e pedirlle confianza, pero non no Bloque senón en si mesmo. Temos que sumar, temos que ser país para que nos escoiten. Para por Galiza e Lugo no mapa". Xunto a Rodil compareceu a portavoz nacional, Ana Pontón, que instou a cidadanía galega a dar unha contundente resposta nas urnas á dobre "inutilidade" das forzas estatais con Galiza. "Nin foron capaces de aportar solución os problemas deste país, nin de dar solución aos problemas das persoas. Convertamos o 10N na oportunidade de dar a este país unha voz que defenda os seus intereses ante o Estado". Pontón pediu confianza "a todas as persoas que apostaron polo BNG nas municipais, porque sabían que era o mellor para Lugo", afirmando que o mellor para Galiza e Lugo é "que Olalla Rodil sexa deputada e que dea a cara en Madrid por esta provincia". Pontón e Rodil fixeron un percorrido polas malas xestións do Estado e da Xunta na provincia lucense. Rodil falou da liña Lugo-Monforte, "acaso algunha das forzas estatais esixiu que calquera acordo tiña que pasar porque Lugo deixe de ter un tren do século XIX? Que AVE nos veñen vender se aínda temos a vía sen electrificar". Pontón criticou a falta de conexións de proximidade, o retraso de trinta anos na construción da autovía Lugo-Santiago, a demanda dun xulgado de violencia machista e "que haxa 2.000 empregos en xogo na provincia da factoría Alcoa por custes enerxéticos, incomprensíbel nun país que exporta electricidade".
NOS_50098
A decisiva e definitiva xuntanza de hoxe e mañá para definir as cantidades e as condicións finais do Fondo de Recuperación poscoronavirus, así como o Marco Financeiro Plurianual, podería non ser nin tan decisiva nin tan definitiva. As institucións europeas apreman a un acordo, mais os frugais non teñen présa ningunha.
Os xefes de Estado e de Goberno dos países membros da UE reúnense hoxe e mañá, por primeira vez de forma presencial desde o inicio da pandemia, para acabar de definir as características do Fondo de Recuperación poscoronavirus e o Orzamento plurianual 2021-27. Tanto as institucións europeas como o Eixo franco-alemán e os países do Sur pretendían que fose a xuntanza definitiva, mais as reticencias dos catro frugais ─Austria, Dinamarca, Países Baixos e Suecia─ a cederen ante as pretensións dos primeiros foi desinchando as expectativas ao longo desta última semana. O primeiro grupo ten unha débeda pública e un déficit moi elevados en comparación co segundo, que está previsto que se dispare aínda máis pola actual crise. Os frugais ─argumentan─ cumpren coa disciplina orzamentaria, teñen as súas finanzas saneadas e non queren pagar a conta acumulada polo resto. Creada despois de dúas devastadoras guerras mundiais, o proxecto comunitario permitiu ao continente vivir o período máis longo de paz da súa historia. 2020 comezou coa primeira saída dun Estado membro en sete décadas de integración, e a resposta inicial ante a pandemia puxo en dúbida a suposta cohesión. O euroescepticismo ─a desconfianza nas institucións de Bruxelas─ continúa a medrar nos países tradicionalmente máis europeístas ─partidarios dunha UE cada vez máis federal─. A resolución do pulso actual no seu seo pode ser a última oportunidade para o seu futuro. A proposta Sobre a mesa está o plan da Comisión. En total propón case 1,1 billóns de euros (1,074, exactamente) para o Marco Financeiro Plurianual, o orzamento para 2021-27. E para o Fondo de Recuperación, 750.000 millóns de euros, dous terzos en subsidios e un terzo en préstamos. A maioría, 560.000 millóns de euros, correspóndense co chamado Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, creado para proporcionar "axuda financeira a grande escala para impulsar as reformas e os investimentos emprendidos polos Estados membros, co obxectivo de mitigar o impacto da pandemia da Covid-19 e de lograr que as economías da UE sexan máis resilientes e estean mellor preparadas para os retos que suscitan as transicións ecolóxica e dixital", explican desde a Comisión. O Executivo di que "axudará os Estados membros a facer fronte aos retos sinalados no Semestre Europeo, en ámbitos como a competitividade, a produtividade, a sostenibilidade ambiental, a educación e as capacidades, a saúde, o emprego e a cohesión económica, social e territorial". Todos os investimentos deberán estar centrados "nos retos relacionados coas transicións ecolóxica e dixital", insiste. Poboación, PIB, paro O importe máximo das subvencións para cada Estado vira determinado por unha ecuación que terá en conta a poboación, o PIB per cápita e o desemprego, que "será especialmente beneficiosa para os países máis afectados pola crise, en particular aqueles que teñen unha renda per cápita máis baixa e unha elevada taxa de desemprego". Os Estados do Sur ─Chipre, España, Grecia e Italia─ serían os máis beneficiados. Para acceder ao Mecanismo, os países membros deben elaborar plans de recuperación e resiliencia, con reformas e investimentos até 2024, abordando "os retos sinalados no contexto do Semestre Europeo". Tanto as subvencións como os préstamos estarán suxeitos a alcanzar os obxectivos intermedios e finais definidos polos Gobernos. O Fondo de Recuperación viríase á "rede de seguridade", aprobada xa por Bruxelas, de 540.000 millóns de euros: 240.000 millóns, a través do Mecanismo Europeo de Estabilidade; 200.000 millóns, polo Banco Europeo de Investimentos; e 100.000 millóns do Sure, o fondo contra o desemprego. En total, o montante mobilizado pola UE ascende a 2,364 billóns de euros. Isto é, 17% da súa Renda Nacional Bruta (RNB), a maior porcentaxe das tres primeiras potencias económicas do mundo. A China ten previsto mobilizar unha cantidade equivalente a 4,2% da súa RNB, e os EUA, 15,9%, aínda que o impacto da Covid-19 foi desigual nas tres entidades. For este for outro, a proposta que saia do Consello Europeo deberá recibir a aprobación por parte do Parlamento Europeo ─e no caso do Orzamento plurianual, tamén o visto bo dos Parlamentos estatais─. Dentro da Eurocámara, ademais das divisións territoriais están as ideolóxicas: a dereita quere estabelecer condicións máis severas de acceso; a esquerda alerta de novas medidas de austeridade como as que sucederon á Gran Recesión. Outro polo de conflito: os catro de Visegrado Á oposición dos frugais a proposta da Comisión, únese outra fronte que complica o acordo. É o Grupo de Visegrado, que conforman República Checa, Eslovaquia, Hungría e Polonia. Con Gobernos populistas e ultras, opóñense a que o acceso ao Fondo estea condicionado ao respecto dos valores europeos.
NOS_8657
Que teñen en común o fiscal que levou Bóveda ao fusilamento e o escultor do emblemático Santiago peregrino da sala capitular da basílica compostelá? A resposta podería ser: o pazo do Faramello e a fábrica de papel máis antiga da Galiza.
En outubro de 1885 E. Nuñez escribe na Gaceta de Galicia un artigo que desenvolve en tres números, titulado A fábrica de papel máis antiga de Galiza. Nel dá conta por extenso de como a fábrica comezou a se levantar en 1710 cando Bartolomé Piombino e Joseph Gambino, xenoveses de nación e residentes en Padrón, asinan cos mestres pedreiros o contrato para levantar o edificio. En 1714 concédeselle licenza para fabricar papel, en exclusiva para todo o reino de Galiza, e por vinte anos. O papel fabricábase con trapos e a man de obra era principalmente feminina (nove mulleres) na limpeza e preparación do trapo, así como no levado das follas ao secadoiro. O persoal masculino, dez en total, dous deles mestres papeleiros, realizaba o resto dos labores, a atención da maquinaria e as oficinas. Fabricábanse vinte resmas diarias de primeira, segunda e terceira clase e perto de 5.000 de cuarta, destinado case todo este para envolver tabaco. Tamén se fabricaba papel para escribir, que se vendía a 25 reais a resma (unha resma varía entre 480 e 500 follas. En 1763 a fábrica tiña 6 rodas e 22 pías, e fabricaba papel das catro sortes, a razón de once resmas diarias. Nos comezos do século XX cesou a actividade. Sobre a razón de dous xenoveses se instalaren en Padrón a comezos do século XVIII historia e ficción van da man. Para algúns Piombino sería un peregrino que finalizado o camiño namorou dunha compostelá que o retivo aquí para sempre. A verdade é que nacera en Viana, que casou cunha portuguesa e que, xuntamente con Gambino, pai dun dos máis acreditados escultores do século XVIII galego, levantaron esta fábrica da que saíron non só millares de resmas de papel mais dúas historias familiares ben visíbeis en Compostela, unha, a de Gambino, a través da produción artística; outra, a de Piombino, a través da todo poderosa familia Rivero de Aguilar e da suntuosidade do pazo do Faramello. Dunha parte Xosé Gambino, nado no Pazo do Faramello en 1719 e finado en Santiago de Compostela en 1775 e máximo expoñente da escultura rococó na Galiza. Colaborador de Fernando de Casas Novoa na fachada do Obradoiro, autor da figura de Santo Antón do convento de Herbón, coa que innova a iconografía galega ao mostrar o neno nun só brazo. Máis tarde, neste mesmo convento, talla as imaxes da Virxe, San Xosé, San Francisco, San Miguel, San Rafael. Xa en Compostela é emblemático o Santiago peregrino da sala capitular da basílica que contrasta co Santiago Matamouros da propia catedral, tamén da súa autoría, e co situado no frontón do Pazo de Raxoi, este da autoría do grande escultor galego do período seguinte Xosé Ferreiro, o seu xenro, e tamén o seu discípulo. Salienta tamén un San Roque na capela compostelá do mesmo nome. Grandes mosteiros como o de Sobrado dos Monxes, Oseira e San Martiño Pinario reclamaron tamén os seus servizos. Da outra parte a descendencia de Piombino, máis ligada á defensa dos privilexios de clase e que tivo nun dos seus representantes, Ramón Rivero de Aguilar, un auténtico especialista en solicitar, como fiscal, penas de morte, entre elas a de Bóveda. Del di, en Biosbardia, Xosé Enrique Acuña: "Ramón Rivero de Aguilar entrou na historia negra de Galicia por ter sido o fiscal que procurou a morte de Alexandre Bóveda. As súas acusacións conduciron a que o líder galeguista fose executado por fusilamento o 17 de agosto de 1936 logo dun consello de guerra sumarísimo. Esta, e tantas outras condenas a morte que solicitou, van convertelo nunha figura tan odiada como agachada. Odiada polos descendentes dos que logrou conducir ao paredón, e á vez escondida pola clase social para a que, no seu favor, realizou un intenso traballo acusatorio. Mais a súa inserción na xustiza militar golpista ten unha particularidade. Rivero de Aguilar chega a ela como un xurista de formación civil e con destino tamén civil. Un fiscal profesional, funcionario da República, que se sumará con galóns de prestado á maquina represiva aberta en xullo do 36".
NOS_18469
Considera que a iniciativa sería "nefasta" para os "intereses" da universidade pública galega.
A Xunta non só non ten reparos en que a universidade privada se asente na Galiza senón que "apoia" esta iniciativa. Así o denuncia a CIG, que afirma que o goberno galego pon "unha alfombra vermella" á universidade privada ligada a Abanca. "Insistimos en que o que precisa o sistema educativo galego e, en concreto, a oferta de estudos universitarios non é a entrada de entidades lucrativas no negocio das ensinanzas superiores senón o reforzo orzamentario destinado ás tres universidades públicas galegas rematando coas limitacións impostas polo goberno galego e permitindo a ampliación da oferta educativa coas adaptacións ás necesidades e potencialidades sociais e laborais do país", indica o sindicato. Para a CIG ás políticas que impediron nestes últimos anos o medre de matrícula no SUG haberá que engadirlle, cando se poña en marcha a oferta da universidade de Abanca, que centrará o seu nicho de mercado en Santiago, A Coruña e Vigo, os efectos que poida producir esta nova entidade privada nas titulacións que actualmente ofertan as universidades galegas. "O que se coñece dos planos da Universidade de Abanca é que se dirixe claramente cara estas titulacións que a Xunta pretende reducir no Sistema Público. Por iso, non parece lóxico que se autoricen estas titulacións a unha universidade privada". O secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez de Castro, respondendo a unha pregunta da deputada do BNG Olalla Rodil, explicaba o 14 de decembro no Parlamento de Galiza os plans de creación dunha universidade privada na Galiza, promovida polo grupo financeiro Abanca. Sería a primeira universidade privada do país e, segundo o proxecto, buscaría especializarse no ámbito das ciencias sociais e estudos empresariais. Os prazos manexados apuntan a que podería iniciar a súa andaina no horizonte do curso 2021-2022.
PRAZA_14217
A Illa de Arousa acolle un curso de formación sobre o patrimonio lúdico, organizado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e Nova Escola Galega.
Galicia é un país enormemente rico en xogos. No conxunto da Península, atópase nos primeiros lugares en canto ao número e á vixencia das súas prácticas lúdicas tradicionais, a carón do País Vasco, de Navarra e da propia Portugal. Nos últimos anos, son constantes as iniciativas de recuperación do xogo tradicional que teñen xurdido por todo o país, tanto desde a perspectiva deportiva –é o caso dos birlos ou da chave, por exemplo– como desde outros ámbitos, entre eles o escolar. En efecto, son numerosos xa os centros educativos galegos que contemplan entre os seus proxectos estratexias de recuperación dos xogos de cada zona. O curso está dirixido a profesionais da educación e do tempo libre de todo o país O venres 21 e o sábado 22 de setembro a Illa de Arousa acolle un curso de formación sobre o patrimonio lúdico, organizado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional e Nova Escola Galega. A actividade está apoiada polo Concello e a Asociación Cultural e Deportiva Dorna, que terá un papel fundamental no seu desenvolvemento, xa que será a encargada de lles ensinar a navegar aos asistentes en diferentes embarcacións tradicionais. O curso está dirixido a profesionais da educación e do tempo libre de todo o país e nel intervirán, entre outros relatores, os investigadores galegos Apolinar Graña Varela, da Universidade da Coruña, e Uxio Rodriguez Fernández, da Universidade da Coruña tamén pero que desenvolve parte do seu traballo profesional no Concello de Boiro. O xogo tradicional contén en si mesmo moitos elementos educativos que non debesen desaproveitarse, constituíndo este feito un motivo máis para a súa recuperación e práctica, e por iso tamén o curso tentará achegar propostas para traballar na aula os contidos curriculares –especialmente nesta ocasión nas áreas de Ciencias Naturais, Arte, Educación Plástica, Tecnoloxía e Música– a través do xogo tradicional. O curso compaxinará as sesións teóricas coa práctica dunha mostra significativa de xogos tradicionais. Galicia acollerá en 2013 o festival europeo de xogos tradicionais Galicia acollerá en 2013 o festival europeo de xogos tradicionais. A data prevista será a terceira semana de xuño e a sede estará entre Santiago de Compostela e Ourense, aínda que se desenvolverán distintas actividades por toda a xeografía galega no decorrer das semanas previas. O Festival europeo de xogos tradicionais terá un espazo preferencial para algúns dos principais xogos tradicionais galegos e deseñaranse distintos espazos criando un percorrido polo centro das cidades no que poder descubrir distintos xogos que veñen enchendo o espazo de lecer das xeracións europeas dos séculos pasados. Haberá catro espazos preferenciais: xogos de puntería, Loitas, Xogos de Billarda, Xogos infantís e de taboleiro.
NOS_40694
Será o 10 de agosto, festividade de San Lourenzo, a quen invocará protección contra o 'boom' da industria eólica no transcurso dunha romaría na contorna do mosteiro.
O cura de Xestoso, no municipio de Monfero, oficiará unha misa para "invocar a axuda de San Lourenzo contra os eólicos", segundo informa o propio crego, Luís Rodríguez Patiño, nun comunicado dirixido aos medios e asinada tamén pola plataforma veciñal Monfero di Non. A misa terá lugar o 10 de agosto, festividade de San Lourenzo, no mosteiro de Monfero. O oficio relixioso está previsto contra as 12.30 do mediodía e dará paso a unha romaría que na que os organizadores tamén programoron un roteiro guiado polo mosteiro. Pena do Corvo A veciñanza de Monfero mantén viva desde principios de abril unha plataforma contra o parque eólico Pena do Corvo, que o pasado 29 de maio iniciou a súa tramitación a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco). O proxecto, promovido por Iberdrola, prevé a instalación de trece aeroxeradores cuxas aspas alcanzarían os 200 metros de altura e contarían cunha potencia total instalada de 58,5 megawatts (MW), alén dunha subestación transformadora e unha liña aérea de alta tensión que atravesaría nove municipios lindeiros. Segundo lembran, descubriron a intención da compañía no Boletín Oficial do Estado (BOE) sen máis información e practicamente sen tempo para presentar alegacións. Mais reuniron perto de 2.200 que achegaron nos prazos estabelecidos pola Administración no mes de maio. A historia da veciñanza de Monfero repítese por toda Galiza. Celanova e o Xurés, A Baña, Laxe, Vimianzo, Cabanas, Mazaricos, Dozón, Lalín, Rodeiro e O Irixo, Outes, Rebordechao, Carballo e Coristanco. Ducias de concellos e de pequenas asociacións cidadás impulsaron nos últimos meses coa axuda de organizacións ecoloxistas ou de sindicatos agrarios diferentes plataformas co fin de frear o avance dos eólicos. O crego de Xestoso Non é a primeira vez que o cura de Xestoso, Rodríguez Patiño, se suma á veciñanza na súas súas reivindicacións cun acento crítico. Así, xa ten pedido pola mellora das estradas locais, porque "Deus nos libre do mal dos bispos ultraconservadores" ou pola expulsión da Igrexa de Raxoi e Feixoo por "usureiros".
NOS_12794
A voceira do PP de Lugo, Elena Candia, acusa o goberno provincial de facer unha "xestión descaradamente partidista" e "indebida" dos fondos públicos.
O PP de Lugo acusou esta cuarta feira á Deputación de Lugo de "conceder máis de 340.000 euros a unha asociación coruñesa, onde traballan persoas afíns ao BNG". En comparecencia de imprensa, a voceira popular lucense, Elena Candia, asegurou que o posicionamento da súa formación "non é contrario á devandita asociación" senón "ao uso que o goberno de Gómez Besteiro lle está a dar ao reparto das subvencións nominativas". Segundo @s populares, o goberno provincial está a "priorizar" entes deslocados "ás propias agrupacións provinciais". Aliás, denuncian que nos últimos 6 anos --desde 2008-- "unha asociación coruñesa, onde traballan persoas afíns ao BNG" percibiu axudas públicas por valor de "máis de 340.000 euros". A entidade á que se refire a portavoz do PP é a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) con domicilio na cidade da Coruña. Desde o PP aseguran que a Deputación de Lugo está a desenvolver unha "xestión descaradamente partidista" e "indebida" dos "fondos públicos de todos os lucenses" que, din, deberían dirixirse prioritariamente ás agrupacións da provincia.
NOS_10119
"A bola está no tellado de Pedro Sánchez", dixo Albert Rivera, afirmando que a outra opción é un goberno de 11 partidos: "PSOE, os 8 de Podemos, ERC e PNV".
Albert Rivera, presidente de Ciudadanos, afirmou esta segunda feira que o seu partido está disposto a se abster para permitir así un goberno do PP en minoría e que non sexa preciso, dixo, repetir as eleccións. Mais como a súa abstención non chega por si soa para investir presidente, o líder da formación laranxa pide a Pedro Sánchez que o PSOE faga o mesmo. Rivera fixo estas declaracións en varias emisoras, incidindo que "a bola está no tellado de Sánchez". O socialistas debe optar, proseguiu Rivera, entre permitir un goberno en minoría do PP cuns orzamentos xa apaorbados ou ben en tentar formar goberno "ou algo que se lle pareza" con 11 partidos, "os 8 de Podemos, PSOE, ERC e PNV". Para Rivera, un pacto con formacións soberanistas é inaceptábel. "O PSOE ten que pensar en España", dixo, e criticou que os socialistas estivesen tentados de facer un goberno de coligazón, no que inclúe Bildu. "Sería o peor que fixo o PSOE nos últimos 30 anos". O de Ciudadanos asegura que "baróns" socialistas concordan coa postura partidaria dunha abstención socialista que permita gobernar o PP:
NOS_18218
Alonso Montero deixa en mans de "especialistas en lexicografía" a aceptación ou rexeitamento do termo español dentro do dicionario da Academia galega, tal e como pediu o Concello do Carballiño apelando á "pragmática", argumento que defenden como "filolóxico e científico".
"Demostrar que a palabra pulpo é a que se utiliza normalmente malia non estar considerada galega pola normativa dos últimos anos". Este é, segundo o Instituto de Estudos Carballiñeses, o obxectivo do informe que encargou o Concello do Carballiño para amparar a petición que elevou á Real Academia Galega para que inclúa no dicionario o nome en español do produto protagonista da súa festa máis senlleira, a do polbo, que este 2014 cumprirá 52 anos. A RAG terá que se pronunciar sobre se acepta ou non a proposta do rexedor Argimiro Marnotes (PP). Porén, o seu presidente, Xesús Alonso Montero, non quere anticipar cal é o seu posicionamento sobre se o termo español pode ou non ser considerado tamén galego e non descarta, por tanto, que pulpo se torne oficial. "Eu non son a Academia, son parte da Academia e teño a miña opinión ao respecto pero non a vou adiantar porque pode que despois non prospere o meu punto de vista", declarou Alonso Montero ao lle preguntar pola petición do alcalde carballiñés. Acrecentou o presidente da RAG que a institución recibe este tipo de solicitudes --incluír palabras do español no léxico do galego-- "todos os días". Non obstante, Alonso Montero cualificou de "científica" a maneira de proceder do Concello do Carballiño ao elevar a súa petición á RAG e destacou que se a proposta se rexistra axiña haberá unha resposta antes de finais de xaneiro. O presidente da Academia galega non se pronuncia e di que a decisión a deben tomar "especialistas en lexicografía". "Sempre foi pulpo", é verdade; mais tamén foi sempre xuego e xuez e jueves O argumento esgrimido polo Concello do Carballiño para reclamar que a RAG acepte o termo pulpo como galego --que nesta vila da comarca do Arenteiro "sempre se dixo pulpo"-- non necesita de informe ningún para ser defendido. Ben coñecida alí é a anécdota acontecida hai algúns anos durante unha conexión en directo en que unha xornalista da TVG corrixiu unha polbeira do lugar de Arcos, a aldea carballiñesa que fixo famoso este produto, cando se referiu ao cefalópodo polo seu nome en español. E a polbeira respostou sen dubidar: "iso de polbo dicídelo alá, na capital; aquí dicimos pulpo". E si, é verdade. No Carballiño sempre se dixo pulpo. Porén, non é esta unha variante dialectal da palabra que na nosa lingua designa este animal, polbo, senón unha mostra máis de que o galego está inzado de españolismos que son consecuencia da imposición desta lingua estranxeira como única aceptábel e mesmo da prohibición do idioma propio da Galiza durante os anos da ditadura. "A lingua é dinámica como as sociedades e hai palabras que non existían mais que, por ser utilizadas, xa están recoñecidas", acrecenta Avelino Muleiro, director do Instituto de Estudos Carballiñeses, en declaracións a un xornal ourensán. Seguindo o argumento da "pragmática" ao que apelan Muleiro e o alcalde Marnotes, un percorrido por esta vila permitiríanos ouvir termos como xuego en lugar de xogo; xuez e xueza para designar un xuíz ou unha xuiza; carretera para se referiren a unha estrada; lunes ou jueves para mencionar a segunda e a quinta feiras; ou espalda para falaren das costas. É a "pragmática" a xustificación "científica, filolóxica e antropolóxica" con que o Concello do Carballiño quere remachar a reclamación de oficialidade para un españolismo?
NOS_41381
A recuperación ten letra pequena, a rodapé, que matiza cando non emenda os titulares triunfantes de que a recesión é pasado. Unha desas letras pequenas indica que se alarga a diferenza entre sectores con maiores e menores salarios. Outra, que o emprego que se crea é sobre todo nestes últimos.
En 2009 a diferenza entre os salarios que se cobraban na rama da actividade mellor paga na Galiza (entidades financeiras) e a peor (servizos persoais e de ocio) era de, nin máis nin menos, que 125 puntos. Máis que unha fenda, un abismo. Esa diferenza alargouse durante esta década de crise e recesión e sitúase agora en 131,4 puntos. Aumentaron, e non pouco, nestes anos as desigualdades salariais entre as ramas de actividade no noso país. Esa é unha das lecturas que se extraen dos datos do Informe de rendas salariais que presentou o sindicato CIG. Outra lectura é que o emprego medra nos sectores con salarios máis baixos e descende naqueles onde son de maior contía. Inferiores Hai tres actividades onde os ingresos do seus asalariados e asalariadas son hoxe inferiores aos que percibían ao respecto: como de que o maior medre de persoas asalariadas por tramo de ingresos é nos que cobran menos da metade do salario mínimo: hai agora 23.400 persoas máis neste grupo que antes da recesión. Aliás, desde o ano 2009 até 2017 os salarios só aumentaron en 1,4%, mais se temos en conta a inflación neste período, que foi de 11,4%, dános que a perda de poder adquisitivo real da poboación asalariada foi neste período do 10%. O salario medio dunha persoa nun posto directivo en Galiza cuadriplica o ingreso que de media perciben os seus empregados e empregadas. Puntos sobre os is Medra o emprego precario, aumentando os traballadores pobres, que son 182.120, e ingresan a metade do SMI. Pérdese poboación ocupada porque o número de empregos perdidos desde que en 2009, nos primeiros compases da crise: servizos a empresas, servizos sociais e outros servizos persoais e de lecer. No primeiro deles, servizos a empresas, o salario é 77% do salario medio anual (SMA) galego. Creáronse nestes anos por volta de 10.000 empregos nesta rama de actividade, un aumento de 8,5%. Na rama de Outros servizos persoais e de lecer hai agora 28.185 empregos máis que antes da crise, o persoal deste sector aumentou en 29%. "A actividade cos salarios máis baixos é onde medrou o emprego de forma máis apreciábel", destaca o secretario xeral da central sindical nacionalista, Paulo Carril. Temos pois que os empregos que se crean son nomeadamente nos tramos de menores ingresos salariais. O informe de rendas achega valiosa información ao respecto: como de que o maior medre de persoas asalariadas por tramo de ingresos é nos que cobran menos da metade do salario mínimo: hai agora 23.400 persoas máis neste grupo que antes da recesión. Aliás, desde o ano 2009 até 2017 os salarios só aumentaron en 1,4%, mais se temos en conta a inflación neste período, que foi de 11,4%, dános que a perda de poder adquisitivo real da poboación asalariada foi neste período do 10%. O salario medio dunha persoa nun posto directivo en Galiza cuadriplica o ingreso que de media perciben os seus empregados e empregadas. Puntos sobre os is Medra o emprego precario, aumentando os traballadores pobres, que son 182.120, e ingresan a metade do SMI. Pérdese poboación ocupada comezou a crise é de 103.000 desde o ano 2009. Agás nos sectores antes referidos (Outros servizos a empresas e Servizos persoais e de ocio) e no sector primario, no resto de actividades produtivas hai menos persoas traballando que en 2009. Outro indicador de onde foi que se creou emprego. Datos que veñen ratificar o apuntado desde outros informes e estudos, como o de ingresos do exercicio 2016. Nese estudo recóllense cinco actividades con salarios medios anuais superiores á media do salario en Galiza: 18.114 euros brutos. Un salario, por certo, inferior ao que se rexistraba en 2009, cando era de 18.217 euros anuais. Esas cinco actividades son as entidades financeiras e aseguradoras (32.025 euros porque o número de empregos perdidos desde que medios anuais), Industria extractiva, enerxía e auga (27.875 euros), Información e comunicación (22.970), Servizos sociais (22.800) e Industria (20.719). En todas e cada unha delas hai agora menos traballadoras e traballadores que en 2009. Así, por exemplo, en Industria había 27.000 persoas asalariadas menos do que en 2009, en Entidades financeiras e aseguradoras 7.000 menos e en Industria extractiva, enerxía e auga perto de 6.000 traballadoras e traballadores menos que daquela. A outra cara da moeda represéntana aquelas cinco actividades cun salario medio por baixo do salario medio anual galego. Son comercio, transporte e reparacións (17.000 euros de salario medio anual), Construción e actividades inmobiliarias (17.000), Agricultura, silvicultura e pesca (14.300), Servizo ás empresas (14.000) e Outros servizos (8.781). "As diferenzas falan por si mesmas", indicaba a economista Natalia López. "En resumo, a ocupación medra onde baixan os salarios. De aí que o aumento da desigualdade e da pobreza sexa un feito innegábel". O peso dos salarios no PIB galego rexistra o seu punto máis baixo Nestes anos de gran recesión houbo un cambio de tornas de enorme calado: o peso dos beneficios empresariais superou o dos salarios no Produto Interior Bruto (PIB) de Galiza. Mais esta situación tiña as raiceiras e orixes en anos ben atrás. Un proceso no que se deu unha drenaxe ou transvase das rendas salariais a favor das rendas de capital. O Instituto Galego de Estatística (IGE) constata que o peso dos salarios no PIB galego acadou en 2017 o punto máis baixo da serie: 42,3%. Nunca fora tan pouco. Unha presenza moito menor á que os salarios teñen na riqueza española (46,9%) e na Unión Europea (47,2%). Como rexistra o IGE, de 2000 até agora o peso das remuneración das persoas asalariadas caeu en 4,2 puntos, pasando de 46,5 a 42,3. Nese mesmo período a perda de peso dos salarios a respecto do produto interior bruto español foi de 1,6 (tres veces menos que en Galiza) e en Europa de apenas 0,6. Entre o inicio da década dos oitenta e hoxe a participación dos salarios na riqueza de Galiza caeu en 18 puntos. Era 62% do PIB e pasou ser 44%. Ao tempo, a participación das rendas do capital no PIB galego pasou de 34,4% (1981) a 46%. Un aumento de 12 puntos. Houbo pois un trasvase en beneficio das rendas de capital que non tivo comparanza nin noutros territorios do Estado nin no contexto europeo. Desde comezos de século XXI até agora houbo unha caída de 30 puntos no salario bruto anual medio en termos reais. As mozas e mozos galegos cobran de salario 25% menos que hai unha década As persoas asalariadas mozas, de entre 18 e 25 anos, experimentaron nestes anos de crise e recesión importantes recortes salariais ao tempo que aumentaba a precariedade e temporalidade dos seus empregos. O seu salario medio anual reduciuse en 25% desde 2008 para situarse apenas nos 6.500 euros anuais de media que cobran actualmente. Outro dato: 70% do novo emprego apenas chega aos 1.000 euros mensuais. 21,1% das mozas e mozos galegos teñen contratos a tempo parcial (fronte a 13,8% do conxunto das idades, máis de 7 puntos de diferenza) e 56,2% din que teñen este tipo de contrato porque non foron quen de atopar un traballo a xornada completa. A xuventude tamén sofre maiores taxas de temporalidade, con grandes diferenzas a respecto do conxunto da poboación asalariada. 50,9% das asalariadas menores de 35 anos teñen un contrato temporal, cando no total de idades esta porcentaxe é de 26,8%. A taxa de paro xuvenil é de 19,1%. Isto supón 5,1 puntos máis que a taxa de desemprego no resto da poboación. Constátase unha contracción da taxa de actividade en termos interanuais. A perda de actividade entre a mocidade está relacionada non só co envellecemento da poboación, senón tamén co efecto desánimo dos mozos e mozas vendo as poucas perspectivas de emprego existentes, polo que deciden ou ben retomar os estudos ou emigración. [Esta reportaxe foi publicada no número 330 do semanario en papel Sermos Galiza]
NOS_14263
"Están en xogo os nosos dereitos fundamentais coma cidadáns, a posibilidade de converternos a todos en súbditos", afirmou Xosé Manuel Beiras.
A Catalunya estáselle a aplicar un "estado de excepción non declarado" e que, de non se rebelar a cidadanía, acabará nun recorte de liberdades e dereitos estendido a todo o Estado español. Esta é a denuncia que esta quinta feira realizou Anova-Irmandade Nacionalista en Compostela nunha rolda de impresa na que Gladys Afonso, Xosé Manuel Beiras e o portavoz nacional Antón Sánchez. "Non podemos entender como en pleno século XXI o Estado español actúa contra imprentas, redaccións de xornais e medios de comunicación públicos, como pretende prohibir actos por facer "apoloxía do referendo", como clausura unha páxina web, ou mesmo como manda a declarar a máis de 700 alcaldes e alcaldesas de Cataluña", sinalaron. "Os golpistas non utilizan urnas, prohíbenas", afirmou Antón Sánchez. A formación asegurou que en Catalunya estase a dar na práctica a aplicación dun marco de estado de excepción, onde dereitos e liberdades fundamentais son na práctica abolidos: como os dereitos de reunión, expresión, opinión e conciencia. "Están en xogo os nosos dereitos fundamentais coma cidadáns, a posibilidade de converternos a todos en súbditos. Pretenden liquidar o estado moderno democrático", denunciou Xosé Manuel Beiras. "Estamos diante do totalitarismo do goberno máis corrupto de Europa, que destrúe probas polos seus casos de corrupción, con 800 imputados, e son eles os que falan de respectar as leis..." Anova anunciou que está a traballar - xunto con outras entidades - na organización de actos a prol da consulta do 1-O.
NOS_44050
A tempada 2013 da Liga Galega de Traiñeiras contará con 18 embarcacións a competir nas súas dúas categorías, unha máis que no ano pasado
A Liga Galega de Traiñeiras contará este ano con 18 tripulacións, unha máis que en 2012, que competirán nas súas dúas categorías: LGT-A e LGT-B. Malia baixa da trañeira de Robaleira, súmanse nesta tempada as embarcacións de Muros e Cabo de Cruz B, filial do clube crucense. Deste xeito, Cabo competirá con dúas tripulacións, unha mostra de forza que até o de agora era case exclusiva dos clubes gipuzkoanos. Xunto con este filiar, nesta LGT tomará parte a traiñeira de Muros, unha veterana que, non obstante, levaba anos sen competir ao non poder reunir un plantel tan completo como para afrontar unha tempada completa. Amegrove, Chapela, Samertolmaeu, Cabo da Cruz, Vilaxoán, Mugardos, A Cabana, Mecos, Ares, Perillo, Puebla, Morrazo, Esteirana, Rianxo, Coruxo, Cesantes, Muros e Cabo 'B' serán as traiñeiras en competición nas augas galegas nesta tempada. A Liga de 2012 foi para Amegrove, un dos dous clubes que ten a vila arousá de O Grove. O outro é Mecos.
PRAZA_2991
Son numerosos os 'casos de éxito', exemplos de persoas que participaron nalgunha das iniciativas de formación e emprego da Deputación de Lugo e que hoxe continúan traballando nas empresas ás que accederon. Falamos con algunhas delas.
Hai unhas semanas botou a andar o programa Prende! Bota raíces no rural, promovido pola Deputación de Lugo, unha iniciativa que busca mozos e mozas en situación de desemprego para formalos en oficios que lles permitan ficar a vivir nos concellos rurais da provincia que están a perder poboación. A Deputación anunciou este venres a ampliación ata o 20 de xaneiro do prazo de inscrición no programa, tendo en conta que o período inicial de solicitude coincidiu na súa práctica totalidade coas datas de Nadal.A través de Ben Empregado foron moitas as persoas que comezaron a traballar, "casos de éxito" que son unha boa mostra da utilidade destes proxectos de formación e empregabilidadePoderán acceder ao programa ata 60 persoas que terán formación en catro sectores: enerxías renovables na Mariña; hostalería e turismo na Ribeira Sacra, xestión forestal na Montaña e Agricultura e Gandaría en explotacións gandeiras do centro da provincia.Nos últimos anos foron moitos os programas e accións impulsadas dende a Deputación para favorecer a procura de emprego das persoas residentes na provincia de Lugo. Un dos máis importantes foi o Plan Ben Empregado, que vai xa pola súa cuarta edición, e que trata de mellorar a empregabilidade e facilitar a inserción no mercado laboral, subvencionando a contratación durante un ano de desempregados lucenses en establecementos, empresas ou colectivos que necesiten persoal. Ben Empregado pon en contacto, así, a traballadores e traballadoras que buscan un emprego, e a empresas que necesitan deses empregados e empregadas. A través de Ben Empregado foron moitas as persoas que comezaron a traballar nun destes postos, exemplos que podemos cualificar como "casos de éxito" que son unha boa mostra da utilidade destes proxectos de formación e empregabilidade, dos que se benefician por suposto as persoas que deixan de estar no paro, pero tamén as empresas e entidades para as que comezan a traballar.Paula Polo foi unha desas persoas, que a través do Plan Ben Empregado IV se incorporou á asociación ALIAD Ultreia, unha entidade que naceu nos anos 80 coa intención de informar á sociedade da gravidade do problema das drogodependencias, atendendo tamén ás persoas que sufrían este problema. Nos anos seguintes a entidade especializouse na área de incorporación social, dirixindo parte da súa actividade ao interior dos centros penitenciarios da provincia de Lugo para abordar problemáticas derivadas do consumo de drogas. E tamén fóra deles, preparando estas persoas para a súa posta en liberdade, emprestando asesoramento legal, persoal e familiar.Paula Polo xa non traballa en ALIAD, despois de atopar recentemente outro emprego, pero no tempo que permaneceu nesta entidade realizou varios proxectos relacionados co mundo da prisión: Preparación para a liberdade, Programa Preparados Listos Xa!, Programa Paso a Paso e Proxecto de Animación Sociocultural Construido Convivencia. Estes programas inclúen obradoiros de habilidades sociais, de orientación laboral, de igualdade de xénero, de xestión das emocións e técnicas de autocontrol e tamén de prevención de 'recaídas'.ALIAD-Ultreia foi "evolucionando ao longo dos anos, adaptándose á cambiante realidade". Desta maneira, co xurdimento de novas necesidades e demandas sociais, ademais de seguir atendendo ao colectivo relacionado coas drogodependencias, a asociación comezou a diversificar o tipo de actuacións e aos/as beneficiarios/as das mesmas. Por exemplo, nos últimos anos traballou tamén con mulleres que exercen a prostitución e son ou foron vitimas de trata e con outras mulleres en situación de vulnerabilidade. "Todo o que sexa sumar e traballar para restar parados é positivo", diJuan José Pumares Gómez, de 57 anos, era un desempregado de longa duración que a través de Ben Empregado atopou unha nova oportunidade na súa profesión de comercial nun novo sector: o xornalismo, na empresa Portas Comunicación, que entre outras actividades edita o xornal TerracháXa. Pumares completou en maio a formación ligada ao Plan e foi contratado por Portas Comunicación S.L., onde continúa a traballar. "O proceso foi moi sinxelo" -explica- "Vin o anuncio, presenteime e saíu a oferta desta empresa, fun a unha entrevista a Lugo, nas instalacións da Deputación, e a empresa decidiu contratarme".A formación en Ben Empregado serviulle para poñerse "ao día" e afinar algúns dos coñecementos que xa tiña sobre esta actividade, pois a pesar de ter unha ampla experiencia como comercial, nunca estivera ligado a actividades dos medios de comunicación. "Eu levaba 25 anos nunha academia e dedicábame á venda de formación", conta. "Este é un produto distinto, en primeiro lugar porque hai que andar na rúa. É certo que igual non é, pero é semellante, ao final trátase de coñecer o produto e saber vendelo", conclúe.Pumares destaca a utilidade deste tipo de programas de formación, como foi o Ben Empregado, ou como pode ser a nova iniciativa Prende!. "Paréceme unha iniciativa moi boa: achegar o traballador á empresa, e viceversa e incrementar as posibilidades de atopar traballo". "Todo o que sexa sumar e traballar para restar parados é positivo", remata."Hai que estar aprendendo todos os días. Por iso iniciativas coma esta, que permiten aprender cousas novas, son máis que benvidas"Finalmente, Antonio Martínez Abelairas, de 58 anos, era tamén un desempregado de longa duración que o pasado ano participou no Programa Ben Empregado e que foi finalmente contratado pola empresa Doval Maquinaria, de Castro de Rei, "para a apertura e consolidación dunha nova liña de negocio relacionada coa pequena maquinaria", explica, xa que ata o momento a empresa se especializara en maquinaria profesional. E alí continúa traballando, centrado nese tipo de produtos"Levo aquí contratado dende maio, e moi contento", di. Valora moi positivamente a parte formativa do programa, pero apunta que debería ter máis duración, para incrementar os contidos recibidos. "Eu coñecía ben o oficio, pero lévache tempo poñerte ao día. Se fose un pouco máis longo, sería bo", di. "Hai que estar aprendendo todos os días. Por iso iniciativas coma estas, que permiten aprender cousas novas, son máis que benvidas", conclúe.
NOS_57846
Após clamar por que estouren as cervexarías de Baviera e ver reféns nos 200 mil alemáns que moran nas Baleares, o editor de Libertad Digital malla esta segunda feira na ministra de Xustiza alemá por ter posto en dúbida a extradición de Puigdemont por malversación.
Alemaña neste momento é o IV Reich e con España "calquera se atreve", afirma Jiménez Losantos nunha columna no diario El Mundo intitulada "Alemaña, fóra da UE". O xornalista epítome da caverna española chama "nazi-progre" e "racista" a ministra de xustiza alemá, Katarina Barley, após esta ter posto en dúbida que Alemaña vaia extraditar Puigdemont por malversación [afirmou que non vía doado que Madrid puidese demostrar ese suposto delito]. "A ministra racista de Merkel devólvenos á Europa de Hitler e Stalin", escribe o xornalista. No artigo sinala a suposta incoherencia que ao seu xuízo existe entre a posición adoptada polo tribunal de Schleswig-Holstein -contraria á extradición de Puigdemont por rebelión ao considerar que no procés non existiu violencia- e a oposición do tribunal de Karlsruhe a permitir un referendo de autodeterminación en Baviera. "Hoxe defender España é defender a UE", afirma Jiménez Losantos, quen se pergunta "quen son os xuíces rexionais dun país para anular o Tribunal Supremo doutro".
NOS_12175
Estraño partido no Camp Nou. O Depor pensaba no Celta. O Barça, no Milan. O taboleiro de marcas reflectiu ao final un 2-0 porque o Barça tirou a porta e o Deportivo, non.
Imposíbel gañar no Camp Nou se non se ten o partido na mente. O Deportivo non o tiña. Fernando non forzou a reaparición de Riki e Nelson Oliveira sinxelamente foi invisíbel. Para o carril esquerdo, botou man de Manuel Pablo, non porque o canario estexa para xogar -Tello aproveitou para darse un festín na primeira metade-, senón para preservar a Ayoze, que arrastraba 4 cartóns amarelos. Fernando priorizou o partido co Celta. O mellor futbolista branquiazul foi Aranzubia. Marabillan os reflexos deste gardamallas de 31 anos. Sen el o Deportivo tería encaixado dous ou tres goles máis. O Barça puxo en cena unha equipa B, mas unha equipa B do Barça é hoxe un rival inasequíbel para un Deportivo plano, nada intenso, incapaz de desbordar a ninguén. Estar a 8 pontos da liña de salvación e ser incapaz de tirar unha soa vez entre os 3 paos é tanto como asinar a túa sentenza de morte O primeiro gol do Barcelona, un centro sen oposición de Alves, un remate franco de Alexis, retratou a defensa do Deportivo. Ninguén incomodou o dianteiro chileno. Ninguén salvo Aranzubia, que esticou o brazo o indecíbel para case, case, salvar o gol. A segunda parte non tivo historia. Entrou Camuñas no campo, un misterio por resolver. Que ofrece este futbolista? Ninguén o sabe, mais gozou consecutivamente dos favores de Oltra, Paciência e agora Fernando. Entrou Messi e foi invisíbel até o gol. Pasa moi frecuentemente con este futbolista. É invisíbel até que aparece, e cando aparece é gol. Leva 40 tantos en 27 partidos. Unha auténtica bestialidade. En ningún momento deu o Deportivo a impresión de se xogar a vida, como se na axenda branquiazul esta xornada estivese riscada en negro desde o principio do campionato, o negro da derrota. Estar a 8 pontos da liña de salvación e ser incapaz de chutar unha soa vez entre os tres paos é tanto como asinar a túa sentenza de morte. O Deportivo leva sumado 17 pontos en 27 partidos. Fican 11 xogos. Matematicamente a equipa non está descendida. Futbolisticamente, si.
NOS_7030
Bases Podemos, organización crítica da formación liderada por Pablo Iglesias, considera "moi grave" que o pacto polo cal En Marea pasou a formar parte do grupo parlamentar de Podemos tivera lugar en Madrid de costas a Breogán Riobóo.
Neda acolleu na tarde da sexta feira, 20 de xaneiro, unha asemblea de Podemos na que, durante unhas cinco horas, máis de 70 persoas debateron arredor da existencia de En Marea e da crise interna que sofre a formación política após das destitucións ordenadas por Breogán Riobóo na Executiva desta formación política. Entre as voces críticas da reunión atopábase a de Bases Podemos, que reivindicou "corrixir os defectos da experiencia de En Marea, como son os pactos ocultos ou pactos de despacho". Carlos Del Río, portavoz desta organización, que abrangue o maior número de militantes críticos, apunta en declaracións a Sermos Galiza que "non se deben facer as cousas como se fixeron. Non se contou toda a verdade. O propio Breogán Riobóo non coñecía o pacto polo cal os deputados e deputadas de En Marea pasaron a formar parte do grupo parlamentar de Podemos". "O pacto fíxose en Madrid, de xeito moi privado, entre Anova, Podemos e IU e de costas a Breogán. Que o secretario xeral de Podemos en Galiza non tivera coñecemento do pacto considerámolo moi grave", engade. "O pacto fíxose en Madrid, de xeito moi privado, entre Anova, Podemos e IU e de costas a Breogán" Respecto da crise interna aberta en Podemos a raíz das destitucións, Carlos Del Río afirma: "as explicacións que deu Breogán son insuficientes". Admite que atopou o secretario xeral de Podemos "afectado". "Creo que lle pasou factura o tema das xerais e quixo reaccionar ante esa forma de facer as cousas. Persoalmente, ten que afectarlle o feito de non coñecer o pacto de En Marea, pero non entendo que reaccione dicindo que Podemos debe concorrer só ás eleccións galegas". Mar de Fondo aposta en distanciarse de Anova Mar de Fondo é outra das correntes críticas que xurdiron no seo de Podemos na Galiza. As persoas que forman parte deste colectivo entregáronlle a Breogán Riobóo na reunión de Neda un manifesto no que piden que Podemos se distancie de Anova. Bases Podemos decidiu non adherirse ao manifesto porque "non é o momento dunha división nin de concorrer en solitario ás eleccións galegas". "Estamos na liña dunha confluencia máis ampla", subliña Carlos Del Río. "Visto o que están facendo desde Madrid... non sabemos se hai máis pactos ou un pacto para as eleccións galegas" "Visto o visto... visto o que están facendo desde Madrid... non sabemos se hai máis pactos ou un pacto para as eleccións galegas", advirte o portavoz de Bases Podemos, quen afirma que "son capaces de modificar o que sexa para lle dar validez á reedición de En Marea". A reedición da coligazón non convence Bases Podemos, que aposta nunha confluencia máis ampla, "temos que ser máis abertos". "No que practicamente houbo unanimidade na reunión foi en que non se pode repetir En Marea tal e como foi: uns por querer ir sos e outros por querermos facer a confluencia máis ampla", conclúe o portavoz da corrente crítica. Na asemblea, na que se fixo balanzo da campaña de En Marea, así como dos resultados, e dos posíbeis escenarios que se darán de cara ás eleccións galegas, non estaban presentes os deputados Antón Gómez Reino e Ángela Rodríguez.
NOS_22115
O obxectivo desta actividade "non é achegar man de obra barata", senón concienciar sobre o necesario compromiso co medio ambiente. Os grupos que levan cinco anos participando constatan que, efectivamente, no mesmo treito a cantidade de lixo vai a menos. Aínda así, os residuos que se xuntaron en todos os concellos suman 10 toneladas
Máis de 500 persoas voluntarias molláronse esta fin de semana en que se desenvolveu a V limpeza simultánea dos ríos galegos organizada pola asociación ecoloxista Adega. Entre os refugallos recollidos hai pezas de carros ou tambores das lavadoras, televisións, roupa e calzado, para alén dos plásticos que, "como sempre", abundaron. Informa o colectivo nun comunicado que as tarefas desenvolvidas nesta quinta limpeza se centraron tamén en arrincar das marxes dos ríos plantas bioinvasoras. Segundo Adega, os grupos de traballo que iniciaron esta actividade hai cinco anos constatan que "no mesmo treito hai cada vez menos lixo", e achacan tal circunstancia a que a concienciación da cidadanía en prol do ecoloxismo vai en aumento. Aínda así, calculan que os residuos que se xuntaron en todos os concellos --un total de 34-- suman 10 toneladas. Porén, o obxectivo destas xornadas de voluntariado, organizadas por Proxecto Ríos, "non é achegar man de obra barata" que limpe o lixo que outr@s deitan, senón sensibilizar e incidir na necesaria protección dos ríos e do medio ambiente.
NOS_53548
A eurodeputada Lídia Senra defende que a sustentabilidade ambiental, social e económica na Galiza só pode acadarse desde unha "perspectiva nacionalista e de esquerda", durante a xornada de análise 'A xestión sustentábel do territorio. Debate para avanzar na Galiza e Europa'.
A Casa das Campás en Pontevedra acolle este sábado unha xornada centrada na sustentabilidade, unha reflexión sobre como conseguir unha xestión máis sustentábel desde as políticas públicas, tendo o despoboamento do rural, a xestión dos recursos hidrolóxicos, enerxéticos e o abandono do patrimonio arqueolóxico como temas centrais de debate. A eurodeputada Lídia Senra, organizadora do evento xunto as asociacións Anova Terra, Irmandade Illa de Tambo, Umia Vigo, Plataforma pola Defensa do Patrimonio Termal e o Colectivo pola Defensa do Patrimonio A Forneiriña, foi a encargada de dar inicio ao acto cunha crítica das medidas dos gobernos neoliberais que considera incompatíbeis cun país sustentábel. "A sustentabilidade non é nin será posible desde unha perspectiva neoliberal. Todas as políticas que o neoliberalismo puxo en marcha baixo o nome de sustentábeis en realidade foron encamiñadas a pór os recursos dos pobos en mans das multinacionais e polo tanto, de sustentábeis non teñen nada", afirmou a eurodeputada integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica. Senra considera que a actual situación está provocada "polo desleixo e o abandono" a nivel institucional. Un desleixo que considera premeditado. "A decisión política das administracións de non actuar, de deixar que todo o territorio se deteriore. Levan moitos anos, tanto as institucións europeas como as estatais e as galegas poñendo os nosos recursos en mans alleas ao noso pobo. Para iso precisan baleirar o medio rural, cousa que están facendo a través das políticas agrarias, forestais e co desmantelamento dos servizos públicos básicos", salientou. "Para iso precisan baleirar o medio rural, cousa que están facendo a través das políticas agrarias, forestais e co desmantelamento dos servizos públicos básicos", afirma Senra. Nese sentido, recordou as diferentes loitas que emprendeu a veciñanza do país en defensa dos seus recursos, como as realizadas contras os embalses. "O pobo intentou que non se asolagasen os nosos vales e que non se entregaran ás grandes hidroeléctricas", exemplificou Senra. Defendeu que só desde "unha perspectiva nacionalista e de esquerda, pensando en clave nacional, social e de país, se poden dar solucións a esta problemática. Se non somos quen de poñer alternativas enriba da mesa, ninguén o vai facer por nós". Na xornada tamén interveñen Pedro Mota e Costa, chegado de Portugal, docente de Ensino Superior e asesor de Xestión Autárquica e Finanzas Locais; Eduardo José Corbelle Rico, enxeñeiro de Montes e profesor universitario de Enxeñaría Agroforestal no Campus de Lugo;Belén Fervenza, responsable do sector de horta, froita e flor do Sindicato Labrego Galego; María Ángeles Ríos Pintos, da Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra; Heitor Picallo Fuentes, membro da Plataforma pola Recuperación do Patrimonio Termal de Cuntis e Caldas de Reis; Telma Lago Rodríguez, da Cooperativa Nosa Enerxía; Antonio Costa, presidente da Asociación Irmandade Illa de Tambo e Xesús Rodríguez Castro, presidente da Asociación Umia Vivo.
NOS_45470
Após as reunións desenvolvidas coas demáis forzas políticas con representación parlamentar, Iñigo Urkullu asegura que non descarta nin prioriza ningunha fórmula de goberno mais puntualizou, "hai base firme suficiente" para alcanzar acordos futuros.
O candidato a lehendakari polo PNV, Iñigo Urkullu, celebrou após os comicios do 21-O unha rolda de contactos c@s principais representantes polític@s das demais forzas. Nas xuntanzas, os jetzales achegaron ao PSE, EH Bildu, PP e UpyD un documento de traballo en que recollen os tres eixos fundamentais arredor dos que a forza máis votada nas eleccións da CAV procura tecer un posíbel acordo de goberno. Despois dos contactos, Urkullo di agardar ás "reaccións de cada unha das formacións políticas" a respecto do documento achegado e parabenizou as persoas participantes nas xuntanzas polo "clima en que se desenvolveron". Segundo o presidente jetzale, o texto entregado recolle os puntos básicos dunha "axenda de país" para os vindeiros catro anos, coa que alcanzar o consenso político e social preciso para "responder á crise económica e volver crear emprego", asegurou Urkullu. Neste senso, o PNV propuxo un acordo económico e social que procura "o equilibrio e estabilidade orzamentaria" cara ao exercicio do 2013 que abranga unha nova política fiscal e se desenvolva un plan de actuación encamiñado á xeración de emprego. Urkullo reiterou que o obxectivo jetzale é procurar a configuración dun goberno para a CAV que "forneza a Euskadi da estabilidade, liderado e a confianza que a situación demanda", no entanto, o presidente do PNV subliñou que a axenda presentada non ten nada a ver co "que poida ser unha fórmula de goberno determinada". Porén, o documento achegado pol@s jetzales, recolle algunhas das demandas das demais formacións políticas con representación parlamentar. Neste senso, o texto contén un punto de "paz e convivencia" que pretende "abordar desde o máis amplo acordo a O PP teima na loita contra ETA entrementres o PSE non descarta un posíbel pacto s políticas referentes á consolidación da paz, á humanización e reconciliación social" após o cesamento do fogo anunciado por ETA. Aliás, recolle o estabelecemento dun "imposto para as grandes fortunas" no capítulo dunha nova política fiscal –cuestión que contaría co apoio do PSE, asemade dunha posíbel reforma do sistema tributario. "A iso estamos dispostos e iso propuxemos a todas as forzas políticas", aseverou Iñigo Urkullu. Após as xuntanzas desenvolvidas nestas últimas semanas en Sabin Etxea, algunhas das formacións políticas comezan a amosar os seus propios intereses. Neste senso, Antonio Basagoiti e a delegación do Partido Popular, aseguraron que seguirían "defendendo a exixencia democrática" para "avanzar cara o fin de ETA" así como, salientou o aínda líder dos populares, "a exixencia fronte a Batasuna para non darlle normalidade a aqueles que seguen facendo declaracións indecentes"; deste xeito, Antonio Basagoiti aludía ás verbas de Laura Mintegui, pronunciadas após as detencións de dous integrantes de ETA en Francia. Doutra banda, o PP condiciounou calquera posíbel pacto de goberno a que o PNV se "centre na crise económica". Pola súa banda, o PSE de Patxi López, segurou nunha entrevista en Radio Euskadi, que a súa formación estaría disposta a pactar c@s jetzales se resulta "bo para a estabilidade do país". López, aprobeitou tamén para facer autocrítica após perderen, nas pasadas eleccións, nove escanos no Parlamento de Gasteiz, asegurando que o seu partido se atopa nunha situación de "certo desconcerto e desorientación" perante o que el considera a perda de "atractivo" para a cidadanía. Patxi López, xa afirmara nunhas declaracións hai poucos días que o PSE-PSOE corría o risco de converterse nun "partido vello" en troca de ser un "vello partido". Porén, afirmou que as renovacións e mudanzas que se puideran producir no seo do partido deberán agardar ao congreso convocado para o vindeiro ano. Laura Mintegi, asegurou en declaracións poseriores á xuntanza desenvolvida coa delegación jetzale que concordaban "no ámbito identitario e o modelo de ralacións co Estado español", mais dixo, será preciso debater métodos distintos. No entanto, a maior diferenza entre ambas as dúas organizacións --como se agardaba-- atópase na aposta económica do PNV, que EHB non apoia. Porén, Mintegi salientou o "ambiente cordial" en que se desenvolveran as conversas e as "gañas", dixo, do candidato a lehendakari para "chegar a acordos amplos".
NOS_56607
A decisión do goberno español de non actualizar as pensións provocará aos e ás pensionistas unha diminución considerábel nos seus ingresos, de entre 140 e 400 euros. Máis nun país, Galiza, que con 701 euros de pensión media, mantense como furgón de cola do Estado español. En Galiza hai 736.000 pensionistas.
O goberno español decidiu non actualizar as pensións, nunha medida que vai afectar de forma moi directa, e negativa, a oito millóns de habitantes do estado. Deles, perto de 736.000 na Galiza. O presidente do executivo central, Mariano Rajoy, argumentou a decisión decindo que viña "imposta pola realidade" económica. Mais, cal é a realidade d@s pensionistas galegos. Galiza, con 700 euros, mantén as pensións máis baixas do estado, con 135 menos que a media, segundo datos do Instituto Nacional de la Seguridad Social. Unha cifra xa pequena que agora vai sufrir, coa non actualización, unha tesoirada considerábel. Os cálculos apuntan que cada pensionista galego perderá en 2013 por mor da decisión do Partido Popular uns 160 euros. Mais outros cálculos sinalan que a perda vai ser moito maior, pois contempla as perdas nas pagas compensatorias, e falan duns 400 euros menos que cobrarán en 2013 os pensionistas do estado. Galiza, con 700 euros, mantén as pensións máis baixas do estado, con 135 menos que a media Exclusión e feminización da pobreza En non poucos fogares galegos, o impacto da crise foi tal que a única vía de ingresos que queda é a paga dos vellos. Ese ingreso medio na Galiza de 700 euros cos cales ten que sobrevivir toda unha familia. Os datos do Instituto Galego de Estatística indicaba que en 2010, no 40% dos fogares da Galiza a principal vía de ingresos procedía dunha prestación. E nesta categoría, a dos pensionistas é das principais. As pensións están a servir como a única vía de entrada de ingresos en moitos fogares; e nun país onde o 23,7% da poboación está por baixo dos niveis de pobreza Así pois, a non actualización nas pensións (subirán un 1%, un 2% para as de menos de mil euros, mentres o IPC roza o tres) supón, de facto, condenar á pobreza unha parte importante da sociedade. E non hai que esquecer que a pensión media das mulleres é, no Estado español, un 40% máis baixa que a dos homes. Oposición frontal En CCOO xa anunciaron que van solicitar ao Defensor do Pobo que presente recurso de incustitucionalidade contra a medida do goberno español. Na CIG lembran que o PP ocultou a decisión para non entorpecer os seus intereses electorais e sinalan que as pensións están a servir como a única vía de entrada de ingresos en moitos fogares. "Se hoxe non existisen as pensións, moitos fogares non terían outra vía de sustento". As altas cifras de desemprego, e o feito de que o 23,7% da poboación en Galiza estea por debaixo dos niveis de pobreza (662.000 persoas), segundo os datos que se tiran do informe elaborado pola Rede Europea contra a Pobreza (EAPN); permiten se facer unha idea do impacto que a nivel social vai ter a tesoirada nas pensións.
NOS_9051
As entradas e os trámites para compralas "exclúen a nosa lingua", indican desde a MNL.
A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou a "exclusión da lingua galega" nas entradas para o partido que Galiza e Venezuela desputan esta sexta feira en Riazor. Abanca, propiedade da venezuelana Banesco, é a entidade que a través da súa páxina de venda de entradas ofrece o servizo de merca online para o partido. Sen opción de galego. Outra maneira de adquirir as entradas, indica a MNL, é na Federación Galega de Fútbol. Na sede da Coruña, "tamén ignoran o galego e ao marcarmos o 981120619 sae unha gravación só en castelán". A Mersa lamenta que o galego se reduca a "tres liñas" nas entradas. O presidente da Mesa, Marcos Maceira, considera que "excluír o galego" dun acontecemento tan relevante "e que debía servir para unir o conxunto do pobo galego é gravísimo".
NOS_15657
A presentación do libro póstumo Poemas do carricanto (Espiral Maior), de Fernando Pérez-Barreiro (1931-2010), na súa cidade natal, trouxo Teresa Barro, a súa dona, a Ferrol. Alí, na sede do antigo Hospicio, puidemos falar devagar cunha muller admirábel que canda o seu home formou, primeiro en Londres e xa no inesperado epílogo da súa vida en Lancaster, unha dupla excepcional coa que a cultura galega está en débeda. Da súa autoría é a primeira tradución ao galego de Macbeth ou de Alicia no País das Marabillas, así como doutras obras da literatura anglosaxona e mesmo chinesa. Eis un extracto da entrevista, publicada no Sermos Galiza 285.
Hai fitos que xa están gravados na Historia da Literatura Galega. Cando decidistes realizar ese traballo no eido da tradución? Para nós, o pulo fundamental foi pensar no que había naquela época. Fernando traduciu Macbeth, de Shakespeare, ao galego; foi a súa primeira tradución ao galego. Os dous tiñamos daquela unha idea moi clara: que era fundamental para a lingua galega que houbese boas traducións da literatura universal porque era un momento no que o galego estaba moi precario e había que poñerlle fundamentos. Nós cremos que a tradución era unha das maneiras de conseguilo. Que relación mantivestes con Galiza naqueles primeiros anos en Inglaterra? Aprofundamos moito a amizade con galeguistas que xa tiñamos antes de marchar, fundamentalmente Ramón Piñeiro e Xosé Manuel Beiras. E como se vía Galiza a través dos seus ollos? Ben, ao falar con Piñeiro a percepción non era a mesma que ao falar con Beiras. Tiñan puntos de vista ben diferentes, sobre todo naquela altura. As primeiras veces que veu Piñeiro a Londres, nos anos 65 e 66, comentaba que había moito rebumbio, que as cousas estaban mudando moito. É certo que politicamente era un fervedoiro porque a xente xa se estaba preparando para a morte de Franco. E Beiras falaba do seu… Mais sen moitos puntos de conexión… Home, si, un galeguismo fundamental, pero eran distintos puntos de vista. [Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 285, á venda na loxa e nos quiosques habituais]
PRAZA_5905
Dous pubs da Coruña vetan a entrada a tres parellas estranxeiras mentres permiten o paso a un grupo galego que os acompañaba nun estudo realizado por SOS Racismo en varios locais e tamén noutras catro cidades do Estado e que revela a xenofobia no ocio nocturno.
"É unha festa privada". Con esta frase foilles negada a entrada a tres parellas estranxeiras en dous locais de ocio da Coruña hai agora unha semana, unha discriminación racista que non é nada anormal en numerosos bares e discotecas galegas e do Estado pero que o colectivo SOS Racismo puido comprobar con detalle a través deste estudo enmarcado nun proxecto da Federación Estatal da ONG e subvencionado polo Ministerio de Emprego. No 37% dos locais de ocio visitados en cinco cidades do Estado houbo casos de discriminación Foi na madrugada do pasado domingo 8 de xuño cando SOS Racismo Galicia levou a cabo este testing en cinco pubs da Coruña, unha proba sobre a discriminación étnica no acceso a locais de ocio nocturno que se desenvolveu simultaneamente noutras catro cidades do Estado: Donostia, Zaragoza, Barcelona e Madrid. O resultado, logo de todas as experiencias, foi que no 37% dos establecementos visitados detectáronse casos de discriminación. A acción -"un dos mellores métodos para demostrar a discriminación que se exerce nalgúns contextos", segundo SOS Racismo- consiste no intento de acceso de catro parellas a diversos locais en todas as cidades. Todos os grupos cumpren os mesmos requisitos: unha parella "de control" de mozos de rasgos europeos, outra de rapaces latinos, outra de africanos negros e outra máis de magrebís. E todos eles cumprindo unhas normas de vestiario e imaxes determinadas e idénticas, evitando outros posibles moitos de discriminación. "Se ningún elemento, agás os rasgos físicos que denotan a orixe, permite difernciar entre dous grupos, a difernza de trato só poderá explicarse a priori por detalles físicos", explica a ONG. Catro parellas (unha galega, unha latina, unha africana e outra magrebí) intentan entrar en cinco locais de ocio para o experimento No caso da Coruña, foron dous dos cinco locais visitados os que prohibiron a entrada a todas as parellas estranxeiras, ao tempo que si permitían o acceso ao grupo "autóctono" e con rasgos físicos de orixe europea. Todo, malia que a súa vestimenta e imaxe era semellante ao do resto dos acompañantes en todos os casos. No pub Studio 54, da zona do Orzán coruñés, a escusa foi a de case sempre. "Hai unha festa privada", dixéronlles os porteiros ás tres parellas de orixe estranxeira. Mentres, os rapaces galegos que colaboraron no estudo entraron sen problema ningún. As queixas do grupo por esta discriminación non serviron de nada e nin tan sequera lle foi entregada á parella magrebí a folla de reclamación exixida, que si se lles facilitou ao denominado "grupo de control". Dous locais da Coruña prohibiron a entrada ás tres parellas estranxeiras alegando que había unha festa privada pero permitiron entrar o grupo galego Algo semellante ocorreu no Dux Coruña, local situado nun centro de ocio ao carón do peirao. Negouse a entrada ás tres parellas estranxeiras. "Porque non me dá a gana; se non estás de acordo pide unha folla de reclamacións", explicáronlles no local. O grupo de control galego, cun vestiario e cunha imaxe similar ao resto de persoas que os acompañaban, si puido entrar. Os testemuños dos participantes neste estudo fan máis evidente aínda a discriminación racista, que lembran que adoita producirse neste tipo de locais e noutros lugares. Así ocorreu tamén en Donostia, Madrid ou Zaragoza e con argumentos semellantes. "É unha festa privada". SOS Racismo Galicia advirte de que este testing implica tamén a posta en marcha de litixios para aqueles casos nos que se producise discriminación e sempre que os implicados queiran continuar pola vía xudicial. Serve, tamén, para "animar os que sofren ste tipo de abusos a que os denuncien nas instancias que correspondan". "A discriminación por motivos raciais ou étnicos é unha realidade que en moitas ocasións se atopa oculta entre diversas escusas que supoñen un uso abusivo do dereito de admisión" Segundo a ONG, estes resultados demostran que "a discriminación por motivos raciais ou étnicos é unha realidade que en moitas ocasións se atopa oculta entre diversas escusas que supoñen un uso abusivo do dereito de admisión". Por iso, SOS Racismo Galicia insta as administracións locais e autonómicas responsábeis das autorizacións deste tipo de locais a que "poñan en marcha protocolos de actuación que axuden a mellorar o servizo deste tipo de establecementos e á vez ofrezan ferramentas ás persoas que ven denegada a súa entrada". "O tratamento que damos aos nosos veciños e veciñas chegados doutros lugares dános a medida dos principios éticos que rexen a nosa sociedade", finalizan.
NOS_18318
Así o sinala nun escrito remitido a dúas deputadas do PSOE que preguntaron por que o asasinato dunha muller a mans dun militar español en outubro de 2013 non foi considerado un caso de violencia de xénero.
O Goberno español entende que o asasinato dunha prostituta a mans dun militar non é violencia machista porque non existía unha relación afectiva entre o agresor e a agredida. Así llo fai saber o executivo que preside Mariano Rajoy nunha resposta remitida a dúas deputadas do PSOE que preguntaron por que este asasinato non foi considerado coma máis un asasinato machista. No escrito, remitido á voceira de Igualdade do PSOE, Maribel Flores, e á deputada Susana Ros, o Goberno español subliña que "independentemente da súa cualificación xurídica ou policial lamenta todos os actos de violencia que se exercen contra as mulleres así como a perda de calquera vida humana", mais remite ao artigo 1 da Lei orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero para explicar que o asasinato dunha prostituta non entra dentro desta norma malia que si existe "unha manifestación da discriminación, dunha situación de desigualdade e das relacións de poder dos homes sobre as mulleres", tal e como sinala a letra da lei. "Covardía institucional" Os feitos producíronse o 27 de outubro de 2013, cando Zineb Manae, de 24 anos de idade, foi asasinada a golpes por un militar español de 31 anos que foi detido despois de meter o corpo da muller nun saco e guindala debaixo dunhas árbores, á beira da estrada. Un mes despois do asasinato, a organización Intercultura promoveu un acto no lugar onde o militar lle quitara a vida á moza e deu leitura a un manifesto en que reclamaban que o caso fose enxuizado coma "máis unha morte por violencia machista" e que non se lle outorgase credibilidade ao asasino confeso, pois foi el quen declarou que Manae exercía a prostitución e argumentou o asasinato en "discrepancias no pagamento". A asociación Interculturas negou esta información e considerou que "ampararse en defectos técnicos da lei é dunha covardía institucional que non se pode aceptar".
NOS_34924
"O meu patrimonio non se vende", lema do Goberno mexicano.
O Goberno de México reclamou a suspensión dunha poxa de máis dunha trintena de bens históricos en Barcelona, pouco despois de lograr que unha casa austríaca paralizase a venda dunha peza arqueolóxica prevista para esta sexta feira. No caso barcelonés, a poxa estaba prevista para esta mesma quinta na casa Setdart, que na web dá conta dunha batería de bens que inclúen pezas de orixe mexicana. A ministra de Cultura de México, Alejandra Frausto, denunciou que a galería se queira "lucrar" con bens de interese histórico que datan mesmo do século IX, no caso dos máis antigos. Frausto acompañou a súa mensaxe en Twitter cunha etiqueta específica que reza: "O meu patrimonio non se vende". O Executivo mexicano trasladou a solicitude ás autoridades españolas, ante as que advertiu con apelar á Convención sobre as Medidas que Deben Adoptarse para Prohibir e Impedir a Importación, a Exportación e a Transferencia de Propiedade Ilícitas de Bens Culturais, aprobada en 1970 e subscrita por ambos os dous países, segundo fontes diplomáticas. Desde 1827 Nunha carta remitida ao Goberno español, Frausto recorda que a lexislación mexicana prohibe desde 1827 a exportación de pezas históricas como as ofertada en Barcelona e afirma que xa se iniciaron "os procedementos xudiciais correspondentes" para que sexan repatriadas "a través das canles diplomáticas e legais oficiais". Non é a primeira vez que o Goberno de Andrés Manuel López Obrador se sitúa en contra da poxa de pezas mexicanas, como esta quinta feira coa da Galería Zacke, en Austria. Tamén trasladou queixas aos gobernos de Bélxica e Francia, dentro dunha estratexia que pasa ademais por "desincentivar o interese" dos compradores e "xerar conciencia de que non se trata de adornos nin artigos de luxo, senón de obxectos que son testemuño da identidade e da memoria dos pobos orixinarios de México".
NOS_10717
O capitán do 'Prestige', ao que algúns crían morto, fala desde a illa grega de Icaria, onde reside canda a súa familia.
Nos últimos anos especulouse, tanto aquí como en Grecia, sobre o posíbel falecemento do capitán do buque Prestige, Apostolos Mangouras. Porén, o xornalista vigués Fernando González 'Gonzo' seguiu a súa pista no programa deste domingo de 'Salvados' (LaSexta) e, finalmente, deu con el. Mangouras vive agora nunha pequena illa grega canda a súa familia, gozando da súa xubilación mais inmerso aínda nun proceso xudicial que lle impide falar abondo deste acontecemento. Preguntado polos rumores sobre a súa morte, riu e dixo: "A xente di o que quere". Malia non gozar aínda de "liberdade para falar", o que para moitas persoas foi a 'cabeza de turco' do sinistro do Prestige si lembrou o "bo trato" que recibiu da sociedade naquel momento e mesmo agradeceu a quen o "axudaron", mais non así as autoridades españolas, das que considera que non obtivo un trato xusto. Dos "pequenos fíos de plastilina" ao "hai que bombardear o barco": dez frases para a historia sobre a traxedia do 'Prestige' Aliás, en declaracións ao xornal ABC, o capitán do barco afirmou: "O que máis duro me resultou durante toda a detención e o tempo que pasei no Estado español foi non poder falar nin defenderme. É algo que aínda me pesa e que me causa tristura". Da súa estadía no cárcere de Teixeiro, até que a armadora do buque abonou a fianza requirida, lembrou: "Todos os días recibía decenas de cartas nas que moita xente, case todos estudantes, mandábame ánimos". Ao mesmo tempo, Mangouras lamentou que, durante eses días de deriva do Prestige, "o tempo pasaba e había que tomar decisións, mais ninguén o fixo".
PRAZA_16630
A obra de A Panadaría triunfa nos María Casares con catro galardóns, entre eles os de mellor obra, mellor dirección e mellor texto orixinal. A cabeza do dragón e Resaca tamén obtiveron catro premios cada unha. Nieves Rodríguez, presidenta da AAAG, reivindica o papel das mulleres nos últimos 40 anos de teatro en Galicia e pide que "o CDG de mañá non sexa o de hoxe"
Un premio dedicado "a todas as bolleras, tortilleras, lesbianas...". Así recibían o galardón ao mellor texto orixinal nos Premios María Casares as compoñentes de A Panadaría (Areta Bolado, Ailén Kendelman, Noelia Castro e Gena Baamonde). Non sería o único da noite para Elisa e Marcela. A obra fíxose tamén co premio ao mellor espectáculo, mellor dirección (Gena Baamonde), mellor actriz protagonista (Areta Bolado), converténdose na gran triunfadora da gala do Teatro Galego. A cabeza do dragón, de Producións Teatráis Excéntricas; e Resaca, de ilMaquinario Teatro, levan catro galardóns cada unha. Pola súa banda, Outono, de Pista Catro, e A galiña azul, de Tanxarina, levan cadanseu premio, galardón ao mellor espectáculo infantil neste caso. O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolleu a cerimonia, organizada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, que conmemorou o 40 aniversario do teatro profesional en Galicia, xa que foi en 1978 cando as primeiras compañías profesionais estrearon no noso país as súas obras fundacionais. Na cerimonia, a actriz Rosa Álvarez, socia número 1 da AAAG, recolleu o Premio de Honra Marisa Soto e Aldaolado, dúo artístico formado pola poetas María Lado e Lucía Aldao, leu o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro. A cabeza do dragón e Resaca obtiveron catro galardóns cada unha Resaca levou os premios á mellor actriz secundaria (Laura Míguez), mellor música orixinal (Vadim Yukhnevich), mellor escenografía (Laura Iturralde e Montse Piñeiro) e mellor iluminación (José Manuel Faro 'Coti'). E A cabeza do dragón, fíxose co de mellor actor protagonista (Iván Marcos), mellor actor secundario (Víctor Mosqueira), mellor adaptación/tradución (Quico Cadaval) e mellor vestiario (Suso Montero). Outono obtivo o de mellor maquillaxe (Trini F. Silva). As mulleres "estabamos onte, por suposto estamos hoxe e, perdan coidado, estaremos mañá" Nieves Rodríguez lembrou que nos tempos das primeiras compañías profesionais as mulleres xa estaban alí "por moito que durante décadas se aplaudiu a pioneirOS, impulsorES, precursorES, fundadorES" No seu discurso, Nieves Rodríguez -presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia- realizou unha defensa tanto da igualdade como da liberdade de expresión: "Hoxe diríxome a todas vós empregando esta miña voz con pronuncia dun feminino tan plural coma universal. Se as miñas palabras levan esta sonoridade non é, ou non só é, por amosarme reivindicativa nin para sortear o machismo na linguaxe. E moito menos por incomodar. Pero se así é, só direi unha cousa: Non o sinto. Non o sentimos". Engadiu que para celebrar corenta anos de teatro profesional en Galicia cómpre lembrar que nos tempos das primeiras compañías profesionais as mulleres xa estaban alí "por moito que durante décadas se aplaudiu a pioneirOS, impulsorES, precursorES, fundadorES". Ademais, Nieves Rodríguez lembrou que as mulleres "estabamos onte, por suposto estamos hoxe e, perdan coidado, estaremos mañá". Un mañá que "ha ser ben diferente ao que vivimos. Ha ser un mañá cunha sociedade de plena igualdade real e sen violencias machistas", concluíu Sobre a liberdade de expresión, Nieves Rodríguez continuou a falar dun mañá "no que se venza todo cerco á liberdade de expresión, no que se erradique a criminalización das palabras e no que non sexa necesario recorrer ao almanaque para defender un pregón, unha obra de arte, un libro, unha montaxe teatral", xa que "ao falarmos dos dereitos referentes ao pensamento e a expresión, antóllase irrelevante que sexa Entroido, xoves ou verán". Pediu "reeditar" o "pacto entre administración e a profesión" para que "o CDG de mañá non sexa o de hoxe" Por último, Nieves Rodríguez tamén dedicou atención ao Centro Dramático Galego, apuntando que a institución de teatro público naceu en 1984 a raíz "dun pacto entre a administración e a profesión", pacto que "debe reeditarse" para que "o CDG de mañá non sexa o de hoxe". "Ha ser un CDG no que nos identifiquemos tanto a profesión coma o público, no que a selección de elencos non acapare atencións, o que a produción propia non se reduza a un só espectáculo por temporada con dez intérpretes sobre o escenario", concluíu.
NOS_30950
Naturgy ofrece sen custo os subministros de luz e gas a hoteis e residencias que cedan as súas instalacións á Sanidade Pública.
Os hoteles e residencias que cedan as súas instalacións á Sanidade Pública para dar resposta ao incremento de da demanda de camas hospitalarias poderán beneficiarse da gratuidade dos servizos de luz e gas. Naturgy, a antiga Gas Natural Fenosa, ofrecerá subministro sen coste a estes estabelecementos, segundo anunciou a compañía nun comunicado. Hotusa, a firma do galego Amancio López, foi a primeira en beneficiarse desta medida, concretamente no seu hotel Plaza Castilla en Madrid, pertencente á cadea Eurostars. O presidente de Naturgy, Francisco Reynés, destacou que con esta medida a compañía quixo "reaccionar rápidamente á última necesidade desta crise". "Todas as grandes empresas temos unha responsabilidade co país e debemos contribuír co noso esforzo e capacidade operativa", engadiu. O subministro enerxético gratuíto a todas as instalacións que respalden á Sanidade Pública súmase a outras medidas xa en marcha polo grupo para facer fronte a esta crise, como a de adiar o cobro das facturas a pemes, pequenos comercios e autónomos; a protección a colectivos vulnerébeis; o reforzo das instalacións críticas para garantir o subministro ou activar o teletraballo a todo o cadro de persoal.
NOS_45968
A obra naceu como unha iniciativa literaria na rede, mais o éxito e apoio de milleiros de leitores levouna a saír tamén en papel.
João Perre Viana é o autor do libro 'Rosalía de Castro, uma ponte no tempo', um proxecto literario que naceu nas redes sociais e que acabou editado vía unha campaña de crowdfunding, un libro totalmente desenvolvido como edición de autor, conseguindo en pouco tempo atinxir mais de 20.000 leitores em 4 idiomas diferentes. Informa deste suceso o bloguedelisboa.blogs.sapo.pt A historia naceu nas redes sociais a través dun blogue onde ao longo de varias semanas os primeiros capítulos do libro foram partillados de balde. O leitor acabou por inter-actuar coa historia converténdose en parte da mesma, tendo sido por exemplo responsábel pela escolla da capa ou do local do evento para o lanzamento do libro. As redes sociais, nomedamente o Facebook, Linkedin, Pinterest, Spotify e Google+ axudaron en poucos meses a acadar unha plataforma de máis de 15 mil leitores online só en portugués, o que permitiu validar o interese dos leitores pola obra e así crear as bases para un lanzamento no formato físico. Seguindo unha liña independente o proxecto foi financiado na totalidade polos proprios leitores a través dunha campaña de crowdfunding.
NOS_13780
Ás portas da cimeira da COP27 (Conferencia das Partes das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático) en Exipto o próximo 6 de novembro, a ONU fixo esta cuarta feira pública unha análise do impacto dos plans actuais contra o cambio climático, desvelando que o mundo está moi lonxe de parar o quecemento global.
"Aínda non estamos perto do ritmo de redución de emisións necesario para pórnos no camiño cara a un mundo de 1,5 graos centígrados máis", concluíu esta cuarta feira Simon Stiell, secretario executivo da ONU para o Cambio Climático, na presentación dun informe que debulla a situación actual após avaliar os plans climáticos dos Gobernos. O aumento de 1,5ºC no planeta desde o comezo da era industrial até finais deste século foi un dos acordos da Conferencia das Partes das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático de París en 2015, que trataba de estabelecer un limiar antes da deterioración crítica do clima. A estas alturas, a alza na temperatura xa alcanzou 1,2ºC, e cos programas actuais chegaría a 2,5ºC en 2100. Unha das chaves para abordar este obxectivo era unha redución de 43% nas emisións de gases de efecto invernadoiro en 2030, tomando como referencia as emisións de 2010. Cos datos ofrecidos pola ONU atinxir esta meta é practicamente imposíbel, ao resolver que, cos compromisos actuais trasladados por 193 Executivos do mundo, estas emisións aumentarán 10,6% ao final desta década. Así e todo, isto supón unha mellora ao comparala coa avaliación de 2021, cando a estimación de incremento de emisións en 2030 quedara en 13,7%. Só 24 Estados respectaron o pactado na COP26 O responsábel da ONU para o cambio climático lembrou que na COP26 que decorreu o pasado ano en Glasgow (Escocia), todos os países "acordaron reforzar os seus plans climáticos". Porén, apenas 24 Estados cumpriron e remitiron desde o final da xuntanza plans climáticos novos ou actualizados, o que Stiell considerou "unha decepción", reclamando seriedade na toma dunhas decisións que teñen que reflectir "o nivel de urxencia, a gravidade das ameazas ás que nos enfrontamos e a escaseza de tempo que nos queda para evitar as devastadoras consecuencias do cambio climático desbocado". Amais, entre estes Estados cunha "maior ambición para afrontar o cambio climático" só hai dous grandes emisores destes gases, India e Indonesia, mentres que o resto corresponde a territorios con niveis moi inferiores, como Bolivia ou Uganda. É o intre de actuar, reiterou Stiell, que incidiu en que o informe determina que "moitos obxectivos de cero emisións seguen sendo incertos e aprázanse para unha futura acción crítica que debe levarse a cabo agora". Estas conclusións coñécense ao pouco de comezar a COP27, que se desenvolverá do 6 ao 18 de novembro en Exipto e que suporá "o momento decisivo no mundo da acción climática", subliñou o ministro exipcio de Exteriores e presidente designado da reunión, Sameh Shoukry. Mentres, a ONU ratifica que é hora de facer avances "na transformación masiva que debe producirse en todos os sectores da sociedade para encarar a emerxencia climática". A pesar de que o aumento global de temperatura é de 1,2ºC, en países como Australia xa superaron 1,5ºC, co que descenderon os períodos entre episodios climáticos extremos, sufrindo este ano as peores inundacións do último medio século, cunha especial incidencia no sueste. Outro tanto aconteceu en Paquistán, que sufriu danos por valor de 30.000 millóns de euros, ou está a ocorrer estes días en África Occidental, onde xa hai cinco millóns de persoas damnificadas. 30% dos ríos están moi degradados Un estudo liderado pola Universidade de Coimbra e no que participaron 30 persoas investigadoras de todo o mundo revelou esta cuarta feira que até 30% dos ecosistemas dos ríos están "severamente degradados", mentres que os que se consideran de boa calidade biolóxica non chegan á metade dos cursos de auga. No traballo, centrado especialmente nos ríos do hemisferio sur por ser os menos estudados, constátase a "perda de biodiversidade nas augas doces, ben pola alteración na distribución das especies" ou polo aumento de especies invasoras, sinalou Maria João Feio, líder da investigación, á axencia Lusa.
NOS_10655
Os secretarios xerais da Confederación Intersindical Galega (CIG), Paulo Carril, e da Confederação Geral dos Trabalhadores Portugueses - Intersindical Nacional (CGTP-IN), Arménio Carlos, asinan un protocolo de colaboración co que ambas as dúas centrais apostan en sumar esforzos a un e outro lado da raia para mellorar as condicións de vida da clase traballadora.
CIG e CGTP-IN combinarán esforzos para combater a precariedade a un e outro lado da raia "Unir esforzos para facer posíbel que as dignificacións de vida da clase traballadora sexa unha realidade a un lado e a outro da fronteira entre Galiza e Portugal". Desta maneira, resumiu o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, o obxectivo que persegue o protocolo de colaboración subscrito entre a central nacionalista e o principal sindicato de Portugal, a CGTP-IN. O acordo foi o corolario do encontro sindical "bilateral e ao máis alto nivel" realizado na cidade de Vigo os pasados 1 e 2 de febreiro, coa participación de Carril e mais do secretario xeral da CGTP-IN, Arménio Carlos, encabezando as súas respeitivas delegacións. Trátase dunha cimeira histórica que procura acrecentar a colaboración entre ambos os sindicatos, marcados por unha "grande sintonía" no seu modelo sindical e nas súas posicións diante da crise e das vagas de recortes promovidas pola UE e a Troika, como recoñeceu Arménio Carlos. Neste encontro acordouse tamén realizar dúas novas xuntanzas bilaterais de carácter específico, entre as respectivas federacións da Construción e da Industria da automoción, para abordar posíbeis liñas de traballo conxunto nestes dous sectores, marcados por unha importante mobilidade transfronteiriza e un crecente fenómeno de deslocalización empresarial. "Estas cuestións precisan dunha análise profunda e dunha visión colectiva para contrarrestar a liña ideolóxica que pretende centrar a atención nunha guerra entre traballadores e traballadoras galegas e portuguesas, cando o problema real son as estratexias transnacionais para aumentar os seus beneficios a costa da explotación das persoas", afirmou o secretario xeral da CIG. Análise partillada No decurso da cimeira, ambos os dous sindicatos realizaron unha análise conxunta da situación sociolaboral de Galiza e de Portugal. A respeito do contexto galego, Carril expuxo a preocupación da CIG de "que se poida consolidar unha situación social sen saída, cun empobrecemento xeneralizado da clase traballadora e do conxunto da sociedade, cun asentamento de novas formas de explotación a través de cadeas interminábeis de subcontratación, empresas multiservizos e falsos e falsas autónomas e dunha imparábel emigración". Pola súa banda, o secretario xeral da CGTP radiografou que "en Portugal temos problemas moi complicados, a pesar de que hai unha evolución positiva da situación económica e social. A loita dos traballadores e traballadoras e do pobo portugués foi determinante para afastar a dereita do poder. Foi positivo parar tanto as súas políticas de recortes como as da Troika, e valoramos tamén que o Goberno teña avanzado cara a unha política de reposición de dereitos mais inda fica lonxe do que sería desexábel". A CGTP defende que a explotación laboral é incompatíbel coa democracia. "A democracia pasa por garantir os dereitos e liberdades da clase traballadora. Non hai democracia mentres os traballadores e traballadoras vexan constantemente cuestionados os seus dereitos nos centros de traballo", enfatizou Arménio Carlos. Para alén da cooperación bilateral, os dous sindicatos comprometéronse a colaborar tamén para contribuíren a unha dinámica internacional destinada a lograr "un mundo mellor, máis xusto e solidario".
NOS_3043
A Federación Galega REDE, composta por asociacións de usuarias e familiares de usuarias de residencias e da dependencia, e a Asociación de Familiares de Usuarias das residencias de San Rosendo, reclaman a inmediata "intervención" da residencia Nosa Señora da Esperanza, localizada en Ourense, que padece unha situación que cualifican de "demoledora".
De demoledora. Así cualifica a federación galega Rede, de asociacións de usuarias e familiares de usuarias de residencias e da dependencia, e mais a Asociación de Familiares de Usuarias das residencias de San Rosendo, a situación que sofre a residencia Nosa Señora da Esperanza. Un centro residencial xestionado pola Fundación San Rosendo, propiedade, lembran as entidades, da Igrexa católica. Os problemas que teñen lugar no citado centro de maiores provocan "desazón" nas familias das 157 persoas que viven nas instalacións. Segundo o reconto da pasada sexta feira, 6 de abril, 105 das 157 usuarias, é dicir, o 67%, padecen COVID-19. Unha cifra á que hai que sumar 35 traballadoras tamén positivo por coronavirus. O centro, situado na Farixa, en Ourense, atópase á cabeza en volume de contaxios, por diante de residencias como DomusVi San Lázaro, en Compostela, e DomusVi Aldán, en Cangas. Sumando residentes e traballadoras, na Nosa Señora da Esperanza hai 140 persoas con coronavirus; 119 en San Lázaro e 113 en Aldán. "Desde hai tres días non se sabe cantos falecidos acumula a residencia da Farixa, propiedade do Bispado, xa que a Xunta está empeñada en poñelo francamente difícil ao eliminar o listado de vítimas por residencia", afirman os familiares. Segundo a información emitida hoxe aos medios pola Xunta de Galiza, serían 12 as persoas falecidas no citado centro. Os colectivos critican "a pouca transparencia da Xunta" e a "opacidade máis absoluta da Igrexa católica á hora de informar as familias sobre os seus parentes ingresados". "As cabezas reitoras do centro da Farixa están enrocadas nunha postura temeraria, escurantista e mesmo delictiva porque poden incorrer no homicidio por imprudencia tal e como se están a desenvolver cos ingresados e coas familias", engaden. Por outra banda, desde o 13 de marzo, "o Bispado non permite facer ningunha comunicación entre familiares e residentes positivos a través das videochamadas ou do teléfono". O sistema de videochamadas, "a contagotas", comezou a funcionar a pasada segunda feira, 6 de abril. Neste contexto, os familiares emprazan o Goberno galego a intervir a residencia "antes de que se produza un masacre. "A Xunta non pode dar as costas diante deste problema humanitario, de irresponsabilidade manifesta", afirman. A Consellaría de Política Social decidiu intervir as residencias de DomusVi O Barreiro, en Vigo, e de Aldán a finais do mes pasado.
NOS_41930
O número desta semana inclúe unha reportaxe sobre o papel que xogou a Galiza na Segunda Guerra Mundial. Aliás fálase da teosofía nos debuxos da revista 'Nós'. Pregunta polo teu semanario mañá nos quiosques!
O actor e cómico Xosé A. Touriñán é o gran protagonista do Sermos Galiza deste sábado, que chega ás rúas centrado na traxectoria deste artista multidisciplinar que ten conquistado ao público do país e vai camiño de conseguir o mesmo en todo o territorio do Estado español. Coa estrea do filme Cuñados como tema principal, en 'Touriñán. Máis aló da comedia televisiva' este galego de éxito e con gran proxección de cara ao futuro fala doutros puntos de inflexión na súa carreira como a serie Fariña, a adaptación teatral de idéntico título e tamén do humor. O xornalista Manuel Xestoso pon sobre a mesa interrogantes como a audiencia, o xerme do monólogo... No entanto, para ir abrindo boca o semanario presenta, da man de Lois Alcayde, a reportaxe 'Todas as guerras do noroeste. O papel da Galiza na Segunda Guerra Mundial'. As e os amadores das conspiracións están de sorte porque no texto cóntanse historias de nazis, aliados, confidencias... co país de fondo. O outro gran tema desta semana é 'A teosofía nas ilustracións de 'Nós'. A ascese a través da árbore cara ao Graal e á luz', unha peza asinada por Felipe Senén. Nesta ocasión as e os lectores poderán Andar e ver 'De Viveiro á praia da Abrela' con Adela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo, do Colectivo Xea. Tampouco faltarán as críticas sobre os libros (Mario Regueira e Susana Sanches Aríns); a música (Belém Tajes e César Morán); o cinema (Andrés Castro) e a escena teatral (Manuel Xestoso). Para rematar, colle un lapis e resolve os pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa. Como podes gozar de todos estes contidos? Só tes que achegarte ao teu quiosque e mercar o Sermos Galiza que acompaña ao número de mañá de Nós Diario. Tamén estará dispoñíbel na nosa loxa en liña, mais non adíes a túa subscrición!
NOS_17381
Son 3.306 persoas menos que nos anteriores comicios xerais, que decorreron en 2016. O 28 de abril votarán por primeira vez 58.000 mozos e mozas. Poderán facelo nalgunha das case 4.000 mesas de votación que estarán dispoñíbeis en Galiza.
Case dous de cada dez galegos con dereito a votar nas eleccións xerais do 28A residen no estranxeiro. Son 457.909 dun total de 2.698.525 persoas, o que supón 17% do total. Nesta cita coas urnas perdemos 3.306 votantes a respecto das Xerais de 2016. Unha perda de poboación que ten un exemplo claro no número de escanos que se elixen polas circunscricións galegas: 23. Nas primeiras eleccións ás cortes españolas após a morte de Franco elixíanse 27, catro máis. O 28 de abril votarán por primeira vez 58.093 mozos e mozas, que nas anteriores eleccións non fixeran os 18 anos de idade. Perto de 7.000 axentes encargaranse de vixiar o proceso electoral nunha xornada na que haberá en Galiza 3.956 mesas electorais que se distribuirán en 2.416 locais de votación. Neles instalaranse perto de 4.000 cabinas de votación e por volta de 8.000 urnas. Pretendentes Non lle faltan pretendentes aos 23 escanos galegos para o Congreso español nas vindeiras eleccións do 28 de abril. Son catro escanos menos que nas primeiras eleccións ás cortes españolas após a morte de Franco, un exemplo da perda de peso poboacional do noso país. Un total de 52 listas de 16 organizacións e coalicións políticas aspiran a se facer con algunha desas cadeiras por Galiza para a Cámara baixa española. Son as que lograron representación no noso país nas últimas eleccións xerais así como aquelas que se inscribiron após presentar as sinaturas de 0,1% do electorado de cada circunscrición onde queira concorrer. En total, son 12 as candidaturas que concorren nas catro circunscricións galegas: PP, PSOE, En Marea, En Común-Unidas Podemos, BNG, Ciudadanos, Compromiso por Galicia, Vox, Pacma, Recortes Cero, Por un mundo máis xusto e Partido Comunista dos Traballadores de Galiza. Estiveron na cita de hai catro anos mais non están para este 28 de abril UPyD e Saín Para alén desas candidaturas, hai outras que se rexistraron para competir por algunha das circunscricións galegas. É o caso de Converxencia XXI por Lugo, Escanos en Branco por Pontevedra, Partido Comunista Obrero Español pola da Coruña e Vivir Ourense pola circunscrición ourensá.
NOS_36732
O censo do país continúa a reflectir a perda de poboación no primeiro semestre do ano no que perto de 13.000 persoas abandonaron o país na procura dunha oportunidade laboral.
Galiza conta con 2.753.960 habitantes --segundo os datos rexistrados polo INE-- 8.010 persoas menos que o primeiro de xaneiro deste ano. Ao saldo vexetativo (diferenza entre o número de nacementos e mortes) que na Galiza se mantén negativo desde finais da década dos 80, súmaselle unha nova onda migratoria que levou a milleiros de persoas a abandonar o país durante o primeiro semestre de 2013. Así, 12.853 persoas --maioritariamente moz@s-- emigraron desde xuño para outros territorios do Estado e outros países estranxeiros na procura dunha oportunidade laboral. A falta de emprego e a precariedade laboral froito das sucesivas reformas laborais e decretos aprobados polos gobernos español e galego motivaron a saída de milleiros de persoas da Galiza nos últimos cinco anos deitando cifras de maís de 80.000 persoas emigradas, de entre elas a metade menores de 30 anos.