ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_39447 | Será ás 20.30 horas no Teatro Colón da Coruña. Groba é un titán da composición, con máis de 500 obras catalogadas. Fará 87 anos o vindeiro 16X. O 14X receberá un merecido tributo. | A Orquestra de Cámara Galega e a soprano eslovaca Ingrida Gapova renderán este sábado homenaxe ao músico galego máis prolífico, tamén un dos de maior calidade artística da última centuria, Rogelio Groba. No concerto, alén de obras do compositor de Guláns (1930), a OCG interpretará partituras de Mendelssohn e Schubert. Os billetes póñense á venda ao prezo de 10 euros. Dáse a circunstancia de que a OCG a dirixe o fillo do propio Rogelio Groba, Rogelio Groba Otero, patrono tamén da fundación que leva o nome do seu pai. Esta Orquestra ten como fin básico programar música culta galega, práctica á que non están nada afeitas nen a Filarmónica nen a Orquestra Sinfónica de Galiza. |
PRAZA_3270 | A reapertura do paridoiro de Verín tras dous meses de protestas torna en símbolo das marchas atrás da Xunta ante os conflitos da sanidade pública, área na que o actual presidente galego esgrime con frecuencia a súa experiencia como xestor | "Que quede ben claro que, por moito que digan, nada disto se tería conseguido sen a mobilización social". Quen fala é Aurora Sola, voceira da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca de Monterrei e un dos rostros da mobilización que, initerrompidamente durante dous meses, se opuxo ao peche da sala de partos do hospital comarcal de Verín, o mesmo que Alberto Núñez Feijóo inaugurara en 1994 como máximo responsable do Servizo Galego de Saúde ás ordes do daquela conselleiro de Sanidade, Jose Manuel Romay Beccaría. Ante conflitos coma o de Verín, Feijóo apela recorrentemente á súa experiencia como xestor sanitario, etapa na que impulsou o nacemento deste centro sanitario como fundación que acabou quebradaAmbos, Feijóo e Romay, ensaiaran neste hospital comarcal o modelo de fundacións sanitarias que despois exportarían a outros puntos do Estado dende o Goberno de Aznar. O mesmo modelo que acabou quebrando comezando precisamente por Verín, onde o Consello de Contas detectou diversas "irregularidades" contables e de xestión.A esa experiencia como xestor sanitario, primeiro no Sergas e despois no desaparecido Insalud, apela recorrentemente Feijóo para desacreditar as críticas da oposición, sindicatos ou plataformas veciñais nos diversas protestas que veñen agromando na sanidade pública galega nos últimos anos. "Hai xente que leva vinte anos deteriorando a imaxe da sanidade pública e dicindo que hai recortes, eu tento levar vinte anos protexendo a sanidade pública", afirmaba ante as críticas por uns conflitos que, non obstante, o propio Goberno galego está a tentar aplacar a base de rectificacións antes das eleccións galegas máis incertas na última década . Rectificacións que teñen precisamente en Verín o seu caso máis paradigmático.Da falta de "pericia" á busca acelerada de pediatrasA finais de novembro de 2019 o propio Feijóo e outros cargos do Goberno presentaron como practicamente inevitable a fin da atención aos partos en Verín. A caída da natalidade na contorna provocara unha perda de "pericia" ao persoal que tornara dar a luz en Verín nunha práctica de "risco". Para avalalo, aludían a guías clínicas que non recomendan atender partos en hospitais con menos de 600 nacementos ao ano, volume que nunca se rexistrou no hospital de Verín nin en ningún outro centro sanitario comarcal de Galicia."Un parto non é un infarto", xustificou o titular de Sanidade poucos días antes de que o propio Feijóo comezase a recuar no peche do paridoiro de Verín"Un parto non é un infarto", defendeu o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, para restar importancia a que as nais de Monterrei pasasen a ser atendidas en Ourense para dar a luz, unha "incomodidade" en verbas de Feijóo. Ambos puxeron o foco pouco despois, non obstante, na falta de pediatras como causa do peche. A mediados de decembro e coas protestas a bater na porta dende fóra do PP, pero tamén dende dentro do propio partido, o presidente da Xunta xa se abría a "reabrir" o paridoiro se aparecían pediatras, busca que pouco despois foi encomendada á doutora xubilada recuperada como xerente do hospital tras a dimisión do anterior responsable. Foi así como, mesmo fóra do prazo do proceso selectivo inicialmente aberto, acabou aparecendo unha pediatra que ata o momento exercía en Cee. A marcha da profesional para apagar o incendio de Verín avivou as denuncias de carencia de pediatras na Costa da Morte, pero dous meses e moitas versións despois, serviu para reabrir a instalación ourensá, onde xa naceron dous bebés sen que a Xunta aplique, polo menos de momento, o "consentimento informado reforzado" que anunciou.Atención a infartos vinte e catro horas unha década despoisA rectificación en Verín foi paralela a outra, tamén na sanidade e tamén na provincia de Ourense. A finais de xaneiro Feijóo citaba á prensa no hospital da capital ourensá para unha xuntanza co equipo de Cardioloxía. Alí anunciou a apertura da sala de hemodinámica do complexo con horario ininterrompido. Isto é, que a atención a infartos e outras doenzas semellantes neste hospital pasará a ser ofrecida durante as vinte e catro horas do día.A apertura vinte e catro horas da sala de hemodinámica no hospital de Lugo tras oito anos de protestas reactivou a demanda ourensá, que vén de ser atendidaCulminaba así a rectificación ante unha demanda que databa dende unha década antes, cando o ex-presidente socialista Emilio Pérez Touriño inaugurara o servizo admitindo que se trataba só dun primeiro paso por abrir só en horario de oficina. Ese mesmo horario, de 8 a 3 e de luns a venres, foi o implantado na hemodinámica do hospital de Lugo, aberta en 2014 malia ser anunciada por Feijóo para 2011. Tras oito anos de protestas, en febreiro de 2019 comezaba a atención vinte e catro horas aos infartos en Lugo, reavivando unha reivindicación ourensá que finalmente foi atendida neste 2020.Enfermeiras, centros de saúde, promesas de obrasMalia a rectificacións coma estas e outras a nivel local de menor impacto, o Sergas segue inflamado. Sucede en colectivos como o das Enfermeiras Eventuais en Loita, a piques de facer un ano de mobilizacións, ou entre persoal dos centros de Atención Primaria, cuxo malestar a Consellería de Sanidade quixo acalmar formulando ata tres plans distintos.Plans coma estes e a construción de novas instalacións -dende o novo hospital de Vigo ata a ampliación do da Coruña, anunciada recentemente- son presentadas por Feijóo como mostra evidente de que Galicia goza de "máis" e "mellor" sanidade pública ca "nunca" e do maior orzamento dedicado a esta área na historia da autonomía. Mentres, plataformas como SOS Sanidade Pública advirten de que o recorte acumulado nos anos da crise está a estoupar agora e por iso agardan un seguimento masivo da manifestación convocada para este domingo en Santiago. |
PRAZA_4632 | Esta democracia en crise, en España (e en grande parte dos países do sur de Europa) converteuse de facto nunha forma postmoderna de ditadura de "luva branca", na que son os mercados e as axencias de cualificación as que deciden deixar ou non caer un goberno a través de mecanismos como a prima de risco, a cualificación, o FMI etc. Grecia é cumprido exemplo disto. | Dicía Mario Benedetti "No se juega con el miedo, porque el miedo puede ser un arma" (Vivir Adrede, 2007), e non lle faltaba razón. O certo é que o medo dun xeito ou outro sempre foi unha arma utilizada polo poder para o control social. O medo dun xeito ou outro sempre foi unha arma utilizada polo poder para o control social Durante o período da Guerra Fría, o medo á guerra nuclear conseguiu manter a unidade respecto a un inimigo que estaba ó outro lado do muro. Nas ditaduras militares o medo e a ameza funcionan eficazmente como método de control social. Pero tamén nas nosas democracias (especialmente na Europa do Sur, co gallo da crise económica) ese medo é eficaz, sendo inoculado na sociedade mediante o que en politicoloxía recibe o nome de "opresión difusa". Tralos atentados do 11-S a táctica do poder (político ou económico) xogou co medo para obrigar a cidadanía a entregar voluntariamente parte dos seus dereitos e liberdades lexítimas, a fin de salvagardar a seguridade nacional fronte aos ataques do terrorismo islámico; e tiveron éxito. Así que sen necesidade de tanques, militares nin golpes de estado encontraron un xeito de exercer o control da masa, inoculando inestabilidade, "medo" a un inimigo exterior, invisible e omnipresente. Co medo e a repetida necesidade de "saír da crise" entregamos os nosos cartos aos bancos, perdemos a nosa sanidade pública, perdemos os traballos sendo as condicións laborais cada vez máis precarias, sacrificamos a educación pública Hoxe o inimigo é outro: a "crise" (inimigo impersoal). Pero o poder segue a utilizar a mesma arma; o que cambian son as tácticas. O que cambia é o grao de violencia, pero non cambia o obxectivo final que é manter o statu quo (das elites dominantes) e a orde. Co medo e a repetida necesidade de "saír da crise" entregamos os nosos cartos aos bancos, perdemos a nosa sanidade pública, perdemos os traballos sendo as condicións laborais cada vez máis precarias, sacrificamos a educación pública, etc. Renunciamos e deixamos que nos arrebaten dereitos ata ese momento irrenunciables ou intocables. É dicir, volvemos 40 anos atrás. É todo isto grazas ó medo. Por se o medo non fora suficiente están as regulacións, como a recente Lei de (in)seguridade cidadá. Unha lei que entre outras cousas pecha o acceso cidadán á sede onde reside a soberanía nacional. En realidade é unha regulación que limita a liberdade de manifestación. Unha lexislación para "asegurar" as elites políticas e económicas no caso de que nalgún momento exista un brote de protesta ("Rodea el Congreso", "escraches", etc). Esta democracia en crise, en España (e en grande parte dos países do sur de Europa) converteuse de facto nunha forma postmoderna de ditadura de "luva branca", na que son os mercados e as axencias de cualificación as que deciden deixar ou non caer un goberno Non só falamos dunha crise económica, senón tamén democrática, na que o medo está sendo utilizado para "golpear" mediante decretos e recortes á cidadanía. Non falamos por tanto da necesidade da violencia (física) pero si de xerar violentas desigualdades e violentas inxustizas. A nosa democracia en crise parece basearse unicamente na participación en eleccións cada catro anos e a partir de aí o goberno pode levar a cabo calquera ataque directo contra a cidadanía, que todo queda xustificado polo resultado electoral. Aínda que as promesas sexan papel mollado. Esta democracia en crise, en España (e en grande parte dos países do sur de Europa) converteuse de facto nunha forma postmoderna de ditadura de "luva branca", na que son os mercados e as axencias de cualificación as que deciden deixar ou non caer un goberno a través de mecanismos como a prima de risco, a cualificación, o FMI etc. Grecia é cumprido exemplo disto. Non é casualidade que a crise financeira fixera mudar todos os gobernos europeos (do sur) cara á dereita. Se aos mercados ou aos especuladores financeiros non lles convén un goberno poñen en marcha tódolos mecanismos posibles e a espada do verdugo comeza a funcionar. É aquí onde aparece a "opresión difusa". Cando falamos de opresión pensamos na utilización da violencia explícita como método de coerción social, pero este novo mecanismo difuso desta nova "democracia" vén exercido por diferentes institucións sociais. Institucións que teñen o papel de manipular e influír na opinión pública para combater toda opinión crítica. É aquí onde xogan un papel importante os medios de comunicación, convertidos en "relacións públicas" (en termos de Noam Chomsky) do poder. Pero evidentemente isto non é posible se existe certa pluralidade nos medios de comunicación (case todos os medios de comunicación en España están nas mans de dereita). É certo que se manteñen certas liñas e programas "contestatarios", pero é algo que o propio sistema permite para que esa "opresión" sexa máis difusa É certo que se manteñen certas liñas e programas "contestatarios", pero é algo que o propio sistema permite para que esa "opresión" sexa máis difusa. De feito, tal e como propoñía Frederic Jameson cando falaba dos elementos culturais contrarios ao sistema, o sistema sempre permite certa "contestación" para autolexitimarse. Os medios de comunicación (os grandes emporios mediáticos), coas súas diferenzas ideolóxicas, desactivan a capacidade crítica, trivializando os debates e reproducindo no fondo a mensaxe do poder. Outro punto importante é a insistente tarefa de "criminalizar" toda mobilización, para amosar que os que se "mobilizan" son xente "perigosa". Pasou recentemente co caso de Gamonal (no que o tratamento do grupo ATRESMEDIA foi aterrador), chegando a uns niveis de manipulación importantes e mesmo desmentindo as propias imaxes das protestas. Como xa sabemos, as mobilizacións prexudican "a marca España" (outra chantaxe máis). Precisamente o seu punto forte é a impersonalidade deste poder pois, a diferenza das ditaduras tradicionais, neste caso ese poder é exercido por diversos ámbitos Pero esa "opresión difusa" vén exercida por alguén. Precisamente o seu punto forte é a impersonalidade deste poder pois, a diferenza das ditaduras tradicionais, neste caso ese poder é exercido por diversos ámbitos. É un poder aplicado dende diferentes puntos e por tanto é máis difícil dar resposta (o goberno, a Troika, o FMI, Bruselas, etc) aínda que en realidade todo responda aos poderes económicos que actualmente dominan a política. Non é precisa a violencia, senón unicamente o medo e a chantaxe. Para poder eliminar dereitos e acumular a riqueza en certas elites, despois a crise pasará. Esta crise provocada pola economía de casino, creada polos mesmos que hoxe piden contas, desembocou nunha sociedade desigual e "elitista" na que uns poucos controlan os cartos e arrebatan os dereitos aos cidadáns para ter traballadores baratos e asoballados. A crise claro que rematará, pero haberá que preguntarse a que prezo. Milleiros de persoas quedarán na cuneta, como sacrificio necesario... |
NOS_48809 | Dúas van ser as propostas a debate, e as dúas "definen claramente dúas formas de entender a política en Compromiso", afirmou o secreatario de Organización, Manoel Vello. | A afiliación de Compromiso por Galicia decide este domingo na Convención Nacional como vai concorrer ás eleccións galegas que van ter lugar este ano. Sobre a mesa, dúas propostas. Unha, partidaria de que CxG presente candidatura de seu. Outra, apostando en "participar nunha candidatura ampla, diversa, plural e ilusionante para a cidadanía, na liña do que que foi En Marea nas Eleccións Xerais". Os partidarios desta segunda opción comrpométense a que a afiliación volva ser consulta, unha vez que se coñeza os termos da candidatura de confluencia, para referendar ou non o apoio á mesma. O secretario nacional de Organización, Manoel Vello salientou que "somos a única formación política na que a afiliación decide, como neste caso, as grandes cuestións do partido". "Unha persoa afiliada, un voto, e isto que parece unha obviedade non o é en todas as organizacións", apontou. o secretario nacional de Organización asegurou que "en Compromiso afrontamos esta Convención Nacional como un punto de inflexión definitivo, para ofrecerlle á xente unha ferramenta política integradora, e que dende a sensatez política actúe para resolver os problemas dos galegos e galegas, dende unha óptica de máis autogoberno". |
QUEPASA_938 | Nova quenda para a Escola Ambiental Senda Nova- Concello de Carballo | Nova quenda para a Escola Ambiental Senda Nova- Concello de CarballoEste vindeiro 2 de febreiro celébrase o Día internacional das zonas húmidas e a entidade Senda Nova non falla. Artella para o sábado 1, unha actividade que terá como protagonista a Xosé Luís Rabuñal. O gran ornitólogo cabanés, un dos mais recoñecidos a nivel estatal, guiará a ruta polo Esteiro do Anllóns, por onde xa leva máis de 4.000 visitas. A actividade celebrarase en xornada de mañá con saída ás 9:30 dende a rúa Venezuela de Carballo e con chegada prevista en torno ás 13:30.A actividade será de balde, tendo que apuntarse a través do envío vía mail da ficha de inscrición cuberta. Podes conseguila en [email protected] e os tf 611037614 611037617. Nova quenda para a Escola Ambiental Senda Nova- Concello de Carballo Ademais, a entidade abre o prazo de inscrición para a 8ª edición da Escola Ambiental Senda Nova- Concello de Carballo. Nesta experiencia vital na que as criaturas aprenden da natureza cada fin de semana no Espazo de Oza, poden participar nenos e nenas dos colexios carballeses que cursen entre terceiro e sexto de primaria.Só custa 30€ de cota única de matriculación, e poden inscribirse aquí. |
NOS_50140 | O actor escocés faleceu esta sexta feira aos 72 anos de idade. | Robbie Coltrane, actor escocés coñecido por dar vida ao afábel Rubeus Hagrid na recoñecida saga Harry Potter, faleceu esta sexta feira aos 72 anos de idade. "Robbie probabelmente será mellor lembrado nas próximas décadas como Hagrid... un papel que trouxo alegría a nenos e adultos por igual, provocando un torrente de cartas de admiradores cada semana durante máis de 20 anos", dixo Belinda Wright, a axente do actor, nun comunicado difundido pola BBC. No escrito, Wright expresou tamén o seu agradecemento ao persoal do hospital Valley Royal de Larbert, nas proximidades de Edimburgo, e pediu "respecto e privacidade" para a familia do intérprete "nestes momentos tan difíciles". Coltrane participou tamén en filmes exitosos como 'Ocean's Twelve' ou 'James Bond' Alén de dar vida ao xigantesco profesor Rubeus Hagrid nas oito películas da franquía Harry Potter, baseada nos libros escritos por J.K. Rowling, Coltrane tamén interpretou Valentin Dmitrovich Zukovsky en dous filmes da saga James Bond —GoldenEye e O mundo nunca é suficiente—. O actor escocés participou tamén en títulos como Mona Lisa, de Neil Jordan; Enrique V, de Kenneth Branagh; As aventuras de Huckleberry Finn, de Stephen Sommers; Desde o inferno, de Albert e Allen Hughes; Ocean's Twelve, de Steven Soderbergh, ou Grandes esperanzas, de Mike Newell. Aliás, Coltrane protagonizou a aclamada serie británica Cracker, na que daba vida a un psicólogo problemático, alcólico e xogador que colabora coa policía grazas á súa grande habilidade para penetrar na mente dos criminais. Un papel que encarnou durante catro tempadas e que lle valeu tres premios BAFTA de forma consecutiva, en 1994, 1995 e 1996. |
NOS_48362 | A cuarta proba das Series Mundiais do 2012 e a primeira oportunidade de ver en acción ao actual campión mundial xunto ao galego. | A proba das Series Mundiais de Tríatlon de Ktizbühel reunirá por vez primeira esta tempada, segundo informa a Federación Galega de Triatlón, aos irmás Brownlee e a Javier Gómez Noya. A cita será o domingo 24 de xuño a partir das 15:00 horas e xunto a eles estarán os mellores triatletas do mundo, a pouco máis dun mes da celebración dos Xogos Olímpicos, a cita máis importante deste ano.Será a cuarta proba das Series Mundiais e a máis interesantes ata o momento polos nomes dos seus participantes. En Austria debutará Alistair Brownlee, actual campión do mundo, que sufriu unha lesión no talón de Aquiles hai uns meses e aínda non competiu na presente tempada. Será unha boa oportunidade para ver o seu estado de forma a mes e medio da celebración dos Xogos. E xunto a el, o seu irmán Jonathan que logrou a vitoria nas dúas últimas probas das Series Mundiais (San Diego e Madrid) e o galego Javier Gómez Noya, que gañou a única proba na que competiu esta tempada (o Campionato de Europa). A incógnita será saber cómo enfrontan esta proba os deportistas, xa que todos eles teñen moi claro que o obxectivo é chegar nas mellores condicións a Londres 2012. |
PRAZA_3331 | "Para Ourense sería letal ter a Jácome de alcalde", afirmaba Feijóo; nove meses despois, dende a alcaldía que obtivo por salvar a Baltar, o líder de DO anuncia voto ao PP nas eleccións galegas do 5A | "Para Ourense sería letal tener a Jácome de alcalde". "Voy a votar a Núñez Feijóo, porque es quien creo que mejor va a defender los intereses de Galicia". A primeira frase pronunciouna Alberto Núñez Feijóo en declaracións a La Región escasos días antes das eleccións municipais do pasado 2019. A segunda é unha declaración de Gonzalo Pérez Jácome, esta mesma semana en rolda de prensa no Concello de Ourense, cuxa alcaldía ostenta dende despois daquelas eleccións malia ser a terceira forza da corporación grazas a un pacto de Goberno co PP."Para Ourense sería letal ter a Jácome de alcalde", afirmaba Feijóo; nove meses despois, dende a alcaldía que obtivo por salvar a Baltar, o líder de DO anunciou voto ao PP nas eleccións galegasPouco máis de nove meses separan unhas e outras palabras, pero politicamente transcorreu unha eternidade. Todo mudou de vez cando o reconto definitivo dos comicios locais deixou sen maioría absoluta o PP de Ourense na Deputación Provincial, obrigando a José Manuel Baltar a procurar un pacto indispensable para non poñer fin ao poder institucional da saga na provincia na que imperan dende finais dos anos 80.De inmediato o baltarismo puxo en marcha a maquinaria para pechar o pacto co líder de Democracia Ourensana, o partido que medrou en boa medida a base de opoñerse publicamente e con linguaxe grosa aos Baltar en xeral e a Baltar fillo en particular. "Psicópata de gravata", "fantoche cacique", "patético" ou "cadáver político" foron só algúns dos cualificativos que o agora rexedor ourensán dedicara nos últimos anos ao herdeiro dunha "saga tóxica". "Fóra caciques!", clamaba tamén dende a súa televisión, Auria TV, canle clave no seu crecemento.Jácome dicía todas estas cousas. Pero tamén que, de ser o caso, acabaría pactando "co demo" polo que interpretase como ben de Ourense. E foi o caso. O PP de Ourense, co visto e prace da dirección autonómica do partido, entregoulle a alcaldía a Jácome sacrificando ao seu propio candidato e alcalde ata ese momento, o ex-conselleiro Jesús Vázquez. A cambio, DO blindou a Baltar na Deputación e constituíron gobernos bipartitos en ambas institucións.O pacto con Baltar implicou a renuncia de DO a volver concorrer ás eleccións galegas, nas que obtiveron máis de 7.000 votos hai catro anosTal e como revelou a edición ourensá do Faro de Vigo, o pacto entre ambas formacións tiña máis cláusulas que as que fixeron públicas. DO comprometeuse con Baltar a non volver presentarse ás eleccións ao Parlamento de Galicia, as mesmas ás que concorreron cun número crecente de votos dende 2005 e ata 2016, cando non lograron representación, pero si 7.723 votos e a condición de quinta forza política, superando amplamente a Ciudadanos. Eliminar a DO da competición permite ao PP controlar mellor o escenario do transcendental celeiro de votos ourensán, que reparte 14 escanos dos que os populares lograron 9 hai catro anos. O noveno retivérono por unha marxe de 200 votos, que tras o reconto do voto emigrante se alargou un chisco.Democracia Ourensana deixa definitivamente aparcados, deste xeito, os anos nos que manifestaba a súa aposta por chegar a sentar ata tres deputados no Parlamento coa intención de ser "chave da Xunta" e a advertencia de que non outorgarían o seu apoio a ningún Goberno que non garantise "2.000 millóns extra para Ourense en catro anos". Os gobernos galegos, tamén o de Feijóo, sumiran a provincia ourensá "nunha perpetua discriminación", denunciaban en declaracións públicas e ilustrativos vídeos electorais."Como alcalde de Ourense, prefiro que as cousas sigan como están e que gañe o PP" di Jácome mentres Baltar "non se pecha" a incluír algún membro de DO na candidatura popular na provinciaPero todo quedou atrás. "Como alcalde de Ourense, prefiro que as cousas sigan como están e que gañe o PP; temos que apoiar a quen nos apoia", explicaba Jácome esta semana tras anunciar o seu voto aos populares para os comicios do 5A. Neles, ademais, Baltar disque "non se pecha" a inserir algúns membros de DO na candidatura do PP provincial, na que a dirección galega pouco ou nada ten que dicir.Eses apoios mutuos permitirán, por exemplo, sacar adiante os primeiros Orzamentos municipais de Ourense de 2014 con fondos para sufragar un coordinador xeral do Concello -"city manager", en verbas de DO- que cobrará 86.000 euros anuais, máis que os presidentes da Xunta e do Goberno central. Jácome agardan que sirvan tamén para facer realidade algúns dos seus proxectos, dende un centro de intelixencia artificial ata un parque acuático -promesa clásica de DO asumida por Feijóo hai xa catro anos- pasando polo "maior rañaceos de España", con 80 andares. Mentres isto non sucede, Baltar dá por esquecidos os insultos do pasado e DO desatranca as relacións con medidas como a retirada do recurso xudicial contra o Plan Xeral de Ordenación Municipal da cidade que presentara dende a oposición por velo un plan concibido para os "pelotazos" urbanísticos. Jácome admite que os cambios case revolucionarios aos que aspira non son visibles na cidade, pero porque aínda non transcorreu nin o primeiro ano de mandato, xustifica. Para iso precisa apoios e o mellor xeito de conservalos agora é, considera, votar por Feijóo o 5 de abril. |
NOS_30576 | Hoxe bota a andar o Ano Castelao, cun acto oficial por parte da Academia de Belas Artes e coa inauguración da exposición 'Castelao artista' no Museo de Pontevedra. Falamos con Xosé Leal, responsable de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, que lidera a programación deste ano en homenaxe ao rianxeiro. | - Mañá [por hoxe] bota a andar o Ano Castelao cunha grande exposición no Museo de Pontevedra. É o tema no que centrades a vosa programación anual, non?- O Ano Castelao leva boa parte do esforzo do departamento de Cultura e Lingua, tanto en actividade propia, como a que desenvolvemos nos concellos da provincia. Por unha banda, mañá [por hoxe] comezamos coas actividades que desenvolveremos no Museo de Pontevedra, coa exposición 'Castelao Artista', que dá conta da primeira etapa de Castelao (1905-1920). Aquí quixemos facer unha achega ao que era o Castelao previo a ter unha conciencia política máis forte, pero na que empezou a recoller as diferentes cuestións que fixeron agromar o seu pensamento político e desde o primeiro traballo que se coñece del en 1905 onde curiosamente non asinaba como Castelao. - Como asinaba entón?- Como D. Rodríguez, por Daniel, que era como era coñecido no seu entorno familiar. O tema está en que comezamos con esta primeira exposición, que dividimos en diferentes etapas, unha primeira na que se dedicou a participar en moitos concursos pictóricos, e foi unha etapa na que observaba moito o seu entorno. Hai un punto de inflexión despois, cando casa na Estrada, cando se dá un pequeno corte e empeza a facer referencia a moitos escenarios desta vila. Outro punto de inflexión é o ano 1916, que coincide co ano de creación das Irmandades, aínda que non está claro se el se afiliou no 16 ou no 17, pero ese ano empeza a agromar a súa conciencia máis política. A partir de aí virá despois o Álbum Nós e veremos un Castelao máis comprometido co seu tempo. Moitas veces expresou que Pontevedra foi a cidade na que máis a gusto estivo - Veremos por primeira vez toda xunta a obra de gran formato de Castelao, non?- Efectivamente, imos ter por primeira vez xunta toda a obra de gran formato existente en Galiza. Realmente queda unha que non puidemos traer, que estaba en Bos Aires, no Centro Galego, pero por problemas xudiciais foinos imposible. Reunimos toda esta obra, tanto a propia do noso Museo, como das coleccións das antigas caixas ou de cafés de Vigo ou de Pontevedra que teñen grandes murais, que foi outra das facetas relevantes de Castelao, o dos grandes murais. - A maior parte dos fondos son do Museo, non?- Si, aínda que hai coleccións particulares, das fundacións, e tamén aproveitamos para expoñer fondos que tiñamos en depósito. Digamos que vai ser unha grande oportunidade para disfrutar da extensa obra que ten Castelao. - En xuño ides inaugurar outra mostra sobre Castelao, 'Meu Pontevedra', o día 28 de xuño, o día que se aprobou o Estatuto en plebiscito. - Si, o título vén polo texto no que gababa a súa cidade de adopción, porque el era rianxeiro, pero si que se considerou pontevedrés de adopción e moitas veces expresou que Pontevedra foi a cidade na que máis a gusto estivo. Nesa exposición xa partimos dun Castelao máis social, máis político. Vai ter unha compoñene máis vital, da súa traxectoria en Pontevedra, desde a súa chegada. Se estivese vivo probablemente sería un dos debuxantes deste tipo de camisolas reivindicativas - Ademais tamén levades actividades do Ano Castelao por toda a provincia. - Levamos unha serie de exposicións e actividades polos 62 concellos da provincia, que permiten achegar a figura de Castelao a todas partes. Temos, por unha banda, unha expo 'Escenarios da prehistoria para visitar', que dá conta do grande interese que Castelao amosou sempre polo noso patrimonio; outra que inauguramos hoxe [por onte] en Porriño, 'De Castelao ao mañá, unha ollada ao cómic galego', na que queremos dar unha perspectiva da novena arte a partir do que foi o artista de Rianxo, para nós foi un dos precursores da banda deseñada. E tamén temos outra sobre o debuxante Luís Davila. Logo temos contacontos, con textos de Castelao e doutros autores; e música en galego con temas tanto galegos como de fóra, 'Cantos de preto e lonxe', actividades de cantares de cego, e unha serie de obradoiros infantís para os máis pequenos, outro de camisolas con Reizentolo. Nós cremos que se estivese vivo probablemente sería un dos debuxantes deste tipo de camisolas reivindicativas. E, por outra banda, temos un proxecto de app educativa para dar a coñecer a vida e obra de Castelao e unha unidade didáctica, 'A nenez nos anteollos de Castelao'. Para nós foi un dos precursores da banda deseñada - Ademais do Ano Castelao, cales son as vosas prioridades culturais para a provincia?- Queremos darlle pulo ao teatro profesional, para que poida chegar a todos os lugares da provincia, e crear unha serie de sinerxias para que a cultura e a lingua estean presentes nas diferentes épocas do ano, nas Letras Galegas, con actividades en todos os concellos, Irmadades da Fala, con aspectos novidosos no deseño urbano, como pintar frases das Irmandades nos pasos de peóns. O que tratamos é de extender a actividade cultural por todos os concellos para que poidan disfrutar da nosa cultura en igualdade de condicións. - Vós apostades polo Ano Castelao, a Deputación da Coruña fai o propio co Ano das Irmandades e a de Lugo co Ano Manuel María. Estades a coordinarvos?- Claro. Xa desde o primeiro momento nos reunimos as tres institucións, para achegarnos aos diferentes eidos e poder colaborar en rede. Trátase de aproveitar sinerxias, a expo das Irmandades estará tamén en Pontevedra e Vigo e no caso de Manuel María tamén teremos actividades. - Mentres, o Goberno galego este ano aposta polos aniversarios de Cela e Valle-Inclán. - Aí nótanse as prioridades dos diferentes gobernos. Nós entendemos que temos figuras de nós que defenderon a nosa cultura e a nosa lingua e que deben ter importancia capital este ano. E a Xunta aposta por outros temas. Nós no caso de Valle-Inclán poida que teñamos algo para amosar, pero non é unha das efemérides que nos interesa destacar este ano. |
PRAZA_14046 | A eurodeputada Ana Miranda reclamou que a UE valore a pesca galega como un sector produtivo de primeiro nivel. Segundo o BNG, Damanaki concordou en que a pesca artesanal e o marisqueo deben quedar excluídos das cuotas de pesca transferibles. | Representantes do sector pesqueiro e marisqueiro galegos, reuníronse este martes coa comisaria europea de Pesca, a grega María Damanaki, acompañados polo deputado do BNG Bieito Lobeira e a eurodeputada Ana Miranda. Damanaki concordou tanto co BNG como co sector en que a pesca artesanal e o marisqueo deben quedar excluídos das cuotas de pesca transferibles (CPT), igualmente amosouse totalmente aberta a reformular a actual definición de pesca artesanal incluíndo novos parámetros como os que os que propón o BNG de ampliar a 15 metros de eslora a lonxitude dos barcos que poderían entrar nesta categoría e outros como a realización de mareas de ata 36 horas e o uso de artes selectivas. Igualmente, a Comisaria Europea apoia totalmente a proposta de comercializar os produtos do mar baixo un "etiquetado con trazabilidade". "En palabras da propia Damanaki, os consumidores teñen dereito a saber se o peixe e o marisco veñen de Galicia ou de Perú, se son conxelados ou frescos e a data de captura", explicou Miranda á saída da reunión. "Somos un país pesqueiro e debemos recibir o trato que como tal nos corresponde", segundo indicou a eurodeputada Ana Miranda resumindo o sentir de tódolos participantes. No encontro estiveron presentes o presidente da Federación Galega de Confrarías, Benito González Sineiro, o presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galiza, Francisco Alcalde, o presidente de ASOAR - ARMEGA, Xosé Lois Rodríguez, a presidenta da Federación Galega de Redeiras, Rosa Rodríguez, o representante da federación de Mar da Confederación Intersindical Galega, Xavier Aboi e diferentes colectivos e confrarías de Galicia. |
NOS_30465 | Nós Diario achega novo coleccionábel: As nosas extraordinarias aves comúns. Con 16 entregas entre as terzas e sextas feiras de todo o mes de abril. | A partir desta sexta feira, e durante o mes de abril, Nós Diario pon a disposición das persoas lectoras o coleccionábel As nosas extraordinarias aves comúns, da autoría do educador ambiental Ramsés Pérez. Nas 16 entregas, que se publicarán xunto a Nós Diario de terza a sexta feira de abril, afondarase no moitas veces descoñecido mundo das nosas aves comúns, as que nos acompañan desde a mañá, que observamos desde a fiestra do lugar de traballo ou atopamos o paseo por calquera parque. Aves que nos poñen en contacto coa natureza máis próxima. O extraordinario do noso patrimonio natural máis cotián que pasa desapercibido. Chíos, aves e biodiversidade As carrizas son especialistas en facer niños en pezas de roupa que deixamos esquecidas, os paporrubios son quen de cantar pola noite en lugares iluminados con luz artificial e os pardais poden ocupar niños doutras aves como as andoriñas de cu branco. Estas informacións e moitas outras poderanse atopar no coleccionábel sobre as nosas extraordinarias aves comúns, así como detalladas fotografías de cada unha delas, autoría de Ramsés Pérez Os números do coleccionábel seguirán unha estrutura coherente: presentaranse cada unha destas especies, comezando primeiro pola súa distribución a nivel mundial e europeo, para despois centrarse en que lugares da península Ibérica e da Galiza habitan. Tamén se abordará outro aspecto para as persas non familiarizadas coa ornitoloxía: como recoñecer cada ave, pois ademais da foto inclúese unha pequena explicación de como distinguir cada animal. Así mesmo, explicaranse outras cuestións destas especies, como o seu canto, o hábitat nas que as vamos atopar, o proceso da cría, a distinción (ou non) entre macho e femia, así como cal é a súa tendencia na actualidade. Son todas aves comúns, explica Pérez, pero non por cotiás deixan de estar en perigo. "Moitas veces cando falamos de especies ameazadas pensamos en aquelas que son máis delicadas, porén, moitas aves comúns son cada vez menos comúns, e como exemplo desta realidade está o caso da anduriña ou do moucho", sinala. Aves en perigo Aves habituadas a desenvolver a súa vida en medios agrarios e que as transformacións que están tendo os usos do solo, pola intensificación agraria e o abandono, ou mesmo pola substitución de cultivos tradicionais por plantacións invasivas como as de eucalipto, están a facer que aínda que eran moi comúns, cada vez o sexan menos. |
NOS_57272 | O período de consultas do expediente de regulación de emprego finalizaba inicialmente esta sexta feira. | A dirección de Alcoa San Cibrao accedeu a ampliar até o 4 agosto o período de consultas sobre o Expediente de Regulación de Emprego para a fábrica de aluminio na planta de Cervo e que afecta a máis de 500 traballadores. Segundo fontes sindicais consultadas por Europa Press, o acordo alcanzouse no marco da reunión celebrada desde primeira hora da mañá desta quinta feira entre a dirección e o comité de empresa. Desta forma, o prazo do período de consultas do ERE que finalizaba inicialmente esta sexta feira queda prorrogado até o 4 de agosto. Empresa e comité acordaron volver reunirse os días 28 e 30 de xullo e 3 e 4 de agosto, segundo fontes sindicais consultadas por Europa Press. Os traballadores de Alcoa en San Cibrao iniciaron esta segunda feira arranque dunha semana na que, se a empresa non muda de parecer, rematará o período de consultas do ERE que pretende aplicar a multinacional aos 534 traballadores da planta de aluminio primario. |
NOS_28677 | Carlos Babío, coautor de "Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio", a peza clave na demanda contra os Franco, valora nesta entrevista a demanda da Avogacía Xeral do Estado contra os herdeiros do ditador. | Desta volta vai en serio. A demanda que a Avogacía Xeral do Estado presentou a pasada cuarta feira nun xulgado da Coruña contra os herdeiros do ditador (os netos de Franco, os Martínez-Bordiu: María Aránzazu, María del Mar, María de la O, Carmen, Cristóbal e Jaime, e a empresa da que é administrador Francis Franco, Señor de Meirás, e á que traspasou os seus dereitos como herdeiro) reclama a devolución ao Estado dos bens que fan parte do Pazo de Meirás, en concreto "dos inmóbeis e terreos que compoñen o conxunto que a Xunta declarou BIC no 2008 por iniciativa do BNG", explica Carlos Babío, neto dunha propietaria desaloxada polos Franco na expansión de Meirás, investigador e coautor (xunto a Manuel Pérez Lorenzo) do documento que sirve de base á demanda (o libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, publicado en galego a finais do 2017 con notábel éxito no Estado e silenciado en Galiza), político nacionalista que concorreu na lista das Europeas xunto a Ana Miranda liderando a loita pola memoria das vítimas do franquismo. Di Babío que desta vai en serio porque "por vez primeira o Estado enfronta ao franquismo nos tribunais". Gañe ou non, a primeira ficha do dominó cae e será difícil parar a caída sucesiva das pezas na ringleira. "Intentarano, pero o cambio de actitude do Estado é substancial, inda que a Xustiza española en parte está nas mans de quen estaba, o cambio de dirección da democracia respecto do franquismo é radical". A sensación é esa. Por iso Manuel Monge, outro veterano da loita por Meirás, visitou onte pola mañá a Babío no traballo para abrazalo. A novidade é que apareceu un documento de 1938 de compravenda do Pazo por parte da Junta Pro Pazo del Caudillo [a reunión de notábeis coruñeses que acordaron agasallar a Franco antes de rematada a guerra] que confirma o fraude na operación que outorgaba a propiedade a Franco en 1941… É esta proba o que acelera o proceso de presentación da demanda? A novidade é que se presenta a demanda. O documento é importante, pero non acelera nada. A demanda víñase preparando desde hai meses a partir de que a Deputación da Coruña primeiro e o despois o Parlamento de Galiza emitiron os seus informes xurídicos sobre a posibilidade de preitear por Meirás. Cando apareceu o documento? Eu sóubeno hai tres ou catro meses. Foi unha xestión da Avogacía do Estado aquí na Coruña. Estaba no Arquivo de Protocolos Notariais. Cando elaborastes o libro sabiades dese documento? No libro falamos del porque a Junta Pro Pazo, tanto nas comparecencias públicas como no carteo que mantén con Franco, fai referencia a unha escritura na que se formalizou a compra a nome da Junta. Buscámolo, pero o Arquivo de Protocolos Notariais é de moi difícil acceso. Depende do Colexio de Notarios. Ti tes que lexitimarte, por dicilo así. Non podes chegar e solicitar calquera cousa. Tes que indicar o nome do notario que fixo o protocolo, a data… Ou dispós de moita información ou contas cos resortes do Estado… Por que se retrousou a presentación da demanda até xullo? O director para a Memoria Histórica, Fernando Martínez, con que me reunín en Madrid, cesou en marzo trala convocatoria das eleccións e deixou dada a orde de que se presentara. Supoño que a estratexia e os tempos xurídicos son cousa da Avogacía. Para que vos reunistes? Pois pedíronos que achegásemos toda a documentación á que facemos referencia no libro, todos os documentos que tivéramos. Démoslles máis de setecentos documentos. A demanda contén máis novidades ademais desta escritura? Si, pero este documento é fundamental porque é a proba de que en 1938 se produciu a compravenda por parte da Junta Pro Pazo aos herdeiros de Emilia Pardo Bazán. Entón, pódese argumentar a nulidade da compravenda de 1941 por parte de Franco, que é a vía xurídica que suxería o informe da Deputación da Coruña. Despois da adquisición en 1938 houbo unha doazón a Franco que non se formalizou en escritura. Por iso o Caudillo, en 1941, pediu que se fixera unha compravenda ao seu nome e cos herdeiros no contrato. A demanda sinala esa simulación de contrato e pide tamén a nulidade da doazón. O texto incorpora ademais outras cuestións que non estaban nos informes emitidos pola Deputación e polo Parlamento galego e que teñen a ver coas fincas e outros elementos que se foron engadindo ao conxunto. En fin, a demanda pide que respecto de todos eses bens se declare a nulidade da propiedade de Franco e sexan rexistrados a nome do Estado español. Inclúense na reclamación as obras de arte ou outros bens móbeis que puideron desaparecer do Pazo? Inclúese o catalogado como BIC. Hai que ter en conta que ningunha Administración pública puido catalogar e coñecer o que había no Pazo até que se iniciaron os trámites para a declaración como BIC no 2008. Antes diso non se sabía o que había. O que se reclama é o conxunto intramuros; polo tanto, quedan bens fóra. Si, decidiuse así: que o obxecto da demanda sexa o protexido como BIC. As fincas que quedan fóra poden ser obxecto de futuras demandas. Dependerá do éxito desta… O que se discute é a propiedade do Pazo desde a guerra até a morte do ditador. Pero a controversia mantense dentro da propia legalidade franquista e desa legalidade herdada, non? Estase asumindo unha legalidade que se lexitima nun golpe de Estado e nunha guerra contra a República… A controversia establécese dentro da legalidade franquista. Podemos miralo así. A ver: o que sucede é que a estratexia está definida polos xuristas que estudaron unha serie de informes de historiadores. Apostamos por esa vía. Pero iso non significa que se pechen outras vías, digamos, políticas, que suporían por exemplo reformas lexislativas que eliminasen as anomalías no que atinxe á relación desta democracia co seu pasado. Se esta vía xurídica fracasa, a democracia ten outros mecanismos. Mais inda que teña éxito tamén pode ser unha vía que pare en Meirás… Conseguiuse a unanimidade entre os xuristas respecto a que Meirás nunca foi de Franco. Nunca. Pero mesmo podería pasar que os Franco reclamen os seus dereitos polo feito de ter ocupado o Pazo durante todo ese tempo desde a morte do ditador. Unha ocupación; é dicir, baseada nun feito por imposición do aparello franquista: roubo e ocupación. E se consideramos isto como un roubo e unha ocupación, pois a democracia estaría, digamos, máis obrigada a impulsar as reformas lexislativas pertinentes para facer xustiza e reparar. Polo camiño do dereito pódese chegar a discutir estas cousas. Daquela serían necesarias outras vías en casos non tan documentados e nos que o roubo foi directo, exercido a través da violencia ou a ameaza de violencia, e afectaría ao enriquecemento das elites do franquismo. Enfoquémolo desde outro punto de vista. Inda que neste caso sexa o Estado o que impulsa unha demanda a través da xustiza, detrás estivo toda a loita social en Galiza. Fomos quen, desde a sociedade civil, de conseguir que o Estado presente unha demanda contra o franquismo. Formalmente é a primeira vez que sucede isto. E implicitamente se está falando de abusos, de espolio, de botín de guerra, de métodos coercitivos… Non dun modo explícito... Pero é importante. Son as teses que sempre defendemos desde a loita social… Hai que velo tamén como unha oportunidade para que o Estado se normalice democraticamente na liña do camiño da anulación dos xuízos do franquismo, por exemplo. Meirás foi un asunto mal pechado na chamada transición democrática e agora estase tratando de resolver. Isto racha co relato que o Estado mantiña até o momento respecto da transición. Levas moitos anos traballando para que chegara este momento. Cal foi a clave para que o proceso se encamiñara? Foi a decisión da Deputación de institucionalizar a reclamación. A loita por recuperar Meirás era un asunto da sociedade civil. Pero en 2017, Goretti Sanmartín dá o paso e consegue que se implique a Deputación da Coruña. A partir de aí, entra o Parlamento galego e despois o Estado, que foron enriquecendo a argumentación e a estratexia. Pero aquela decisión do verán de 2017 foi clave. Deu pé á Xunta Pro Devolución, que agrupaba a colectivos da memoria, asociacións culturais, á universidade e a partidos. Esa xunta encargou o informe histórico e xurídico que deu pé a esta demanda. Foi a primeira vez que institucións e colectivos se aliñaron. Servirá Meirás para activar outras reclamacións, por exemplo, a da Casa Cornide na Coruña? Neste caso, debería ser o Concello da Coruña quen tome cartas no asunto. Tería que levar a súa propia estratexia. Pero Meirás ofrece algúns exemplos, como o de lle dar voz á sociedade civil e a diferentes actores no proceso. Tamén pode ser exemplo de recuperación da verdade, desa memoria que estaba silenciada na sociedade pero moi viva, e que fomos rescatando durante todos estes anos. Ves posibilidades de que Meirás contribúa a dar ese salto e encamiñar a recuperación da verdade, a xustiza e a reparación tamén a través de políticas de memoria máis decididas? O labor de recuperación dos feitos e da memoria das vítimas era algo que desde o principio lle correspondía ter feito ao Estado. E non o fixo. Tivo que ser a sociedade civil quen fixera ese traballo. E mesmo tivo que facelo sen axuda do Estado e, ás veces, con trabas, como o que pasa cos arquivos… Ben, malia iso, fomos recuperando a memoria. E se miramos hai quince anos, o debate estaba en que si o Pazo fora un roubo ou fora un agasallo. Hoxe ninguén discute que aquilo foi un roubo. Pero todo ese traballo fixémolo desde a sociedade. Agora, por exemplo, estamos aquí discutindo sobre as fórmulas de normalización democrática. Algo se avanzou, non? Quero dicir, o mesmo encalla esta vía xudicial, ou a política… pero o que non vai encallar é a loita pola memoria. Como seguirá a túa participación neste proceso? Pois igual a Xunta Pro Devolución xa fixo o que tiña que facer, non o sei… Igual a demanda esixe un acompañamento desde a sociedade civil. Conseguimos algo e adquirimos un coñecemento, aproveitémolo para acompañar as loitas pola memoria e por unha democracia de verdade. Por certo, o noso libro vai ser presentado como unha das probas da demanda. Recuperará a túa familia a propiedade que Franco lle quitou a avoa? Os herdeiros xa manifestamos moitas veces que o que queremos é que ese conxunto intramuros, no que quedou a casa da avoa, volva á titularidade pública para uso público. Esa é a reparación que desexamos. |
PRAZA_11649 | O presidente da Xunta acode á inauguración dunha ponte peonil que une o polígono industrial da Agrela coa área de comercio e que abre 14 meses máis tarde do previsto. "É unha escultura excepcional", asegura. | "Emblema da Coruña", "escultura excepcional" ou "arco de entrada" da cidade. Así definiron a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a pasarela que une desde este mércores o polígono industrial da Agrela coa área comercial Marineda City.Unha pequena ponte de 200 metros, de forma curvada e sen apoio central que foi inaugurada con máis dun ano de atraso, logo de investirse nela algo máis de 1,5 millóns de euros, o 80% desta cantidade financiada a cargo dos fondos europeos FEDER por, entre outras cousas, "favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores". A pasarela peonil e para bicicletas, de 200 metros, custou algo máis de 1,5 millóns e inaúgurase máis dun ano despois da data previstaA inauguración da obra, tantas veces requirida pola Asociación de Empresarios da Agrela e reclamada xa polo goberno local bipartito de PSOE e BNG hai oito anos, cando abriu o centro comercial, chega con varios meses de atraso. Formalizada a adxudicación a finais de xaneiro de 2018, o prazo de execución era de nove meses. En abril dese ano, a Xunta anunciaba decembro daquel exercicio como o final dunha obra que acababa de comezar. En setembro, o Goberno galego teimaba na mesma data. Algo máis tarde, e visto que os traballos non ían todo o rápido previstos, a Consellería de Infraestruturas confiaba en que a inicios do presente ano 2019 estivese lista a pasarela, que pasou logo a ter como obxectivo a súa finalización en setembro, cando tampouco quedou rematada. Finalmente, e logo de que a estrutura fose colocada en verán, Feijóo acudiu este mércores á inauguración dunha ponte que chega cun ano e case dous meses de atraso. Inclúe, ademais, o logotipo da Xunta de Galicia. Feijóo non dubidou en usar as redes sociais para asegurar que a obra "muda radicalmente a mobilidade do corazón empresarial da área metropolitana da Coruña". "E do norte de Galicia", engadiu no seu discurso na inaugración, no que asegurou que a ponte consolida a zona "como un espazo seguro, sustentable e atractivo". Feijóo refírese á ponte como "unha escultura excepcional" que "muda radicalmente a mobilidade do corazón empresarial da área da Coruña e do norte de Galicia""Estamos a falar dunha escultura excepcional, dunha obra de enxeñaría que preserva a seguridade viaria, conecta aos traballadores do polígono e que facilita as visitas ao centro comercial", destacou Feijóo, que engadiu que coas obras realizadas "avánzase, tamén, na aposta decidida da Xunta por fomentar unha mobilidade limpa que sirva de alternativa ao vehículo particular". "É unha escultura a ceo aberto, patrimonio público da cidade", dixo Feijóo, que cre que a obra "está tan ben feita, que quedará para sempre". O proxecto incluíu, ademais, o acondicionamento da zona e a construción dunha senda duns 700 metros ata a parada de bus do espazo comercial, un camiño que ten espazo para o tránsito das bicicletas, ao igual que a propia pasarela. Uns traballos que elevan o investimento aos 2,3 millóns segundo a Consellería de Infraestruturas, cuxa titular estaba presente no acto deste mércores xunto a moitos outros cargos políticos. Debe ser o espazo ciclable unha das características que facilita que a obra sexa financiada nun 80% por fondos comunitarios. Cumpriría cun dos requisitos destes fondos para o "fomento da mobilidade urbana sostible" ao incorporar "melloras na rede viaria" ou a posibilidade de "transporte ciclista e peonil". Nunha zona, a da estrada AC-552, entrada e saída dun dos maiores centros comerciais do Estado, que sofre atascos e aglomeracións de coches cada pouco, moi especialmente nestas datas previas do Nadal. O 80% do custo da obra é achegado polos fondos comunitarios FEDER ao "fomentar a mobilidade urbana sostible"No seu conxunto, o espazo comercial Marineda City conta con 6.000 prazas de aparcamento e ten, segundo os datos da propia empresa, uns 17 millóns de visitas cada ano. Só por dúas das grandes vías da contorna, a AG-55 e a AC-552, transitan cada día 15.000 e 20.000 vehículos, respectivamente, segundo a Memoria de Tráfico da Rede de Autoestradas Pública de Galicia. No polígono da Agrela, os problemas de tráfico son habituais e a demanda de mellores conexións de transporte público son constantes. Durante as primeiras horas tras a súa inauguración, foron numerosos os cidadáns que optaron por usar o aparcamento en superficie dun supermercado dunha beira da ponte para ir camiñando desde alí ao centro comercial e evitar entrar no párking. Desde as formacións con representación no pleno municipal, a Marea Atlántica destaca que se inaugure "por todo o alto unha pasarela peonil que será a maior obra da Xunta na Coruña nos últimos catro anos". "Chega un ano tarde", denuncia a formación. "Feijóo pretende maquillar a falta de compromisos coa Coruña durante os seus dez anos de goberno", denuncian BNG e Marea AtlánticaAdemais, desde o BNG advirte de que con esta inauguración "Feijóo pretende maquillar a falta de compromisos coa Coruña durante os seus dez anos de goberno". "Desde que é presidente da Xunta, os investimentos do Goberno Galego na cidade limítanse a escolas infantís financiadas por unha fundación privada --a de Amancio Ortega--, a rehabilitación da Fábrica de Tabacos e agora a construción dunha pasarela que dá acceso a unha grande superficie comercial", di. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou a importancia de "tender pontes" para reforzar as comunicacións entre os polígonos da cidade e crear novos empregos."Só un goberno estable como o da Xunta ten capacidade de executar investimentos que melloren a vida dos coruñeses", dixo pola súa banda a portavoz municipal do PP, Beatriz Mato, tras criticar o executivo local socialista e o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez. |
NOS_56442 | As persoas con capacidades diferentes saen a navegar e gozar da praia grazas ao proxecto Esforza. Malia as medidas adoptadas este ano, 234 persoas estanse a beneficiar desta iniciativa que xa leva en marcha uns anos | As fronteiras da capacidade e discapacidade cada vez disípanse máis, sobre todo porque cada quen ten aptitudes diferentes e non por iso unhas persoas son máis ou menos que outras. No entando, para aquela xente que se atopa con dificultades para gozar do deporte e do lecer, a Fundación María José Jove (coa colaboración de Caixabank) desenvolve o programa Esforza desde hai varios veráns. Esta iniciativa axuda a persoas con mobilidade reducida ou problemas doutra índole a aproveitar o mar e as praias. Malia as restricións que se atoparon este ano, as dúas entidades decidiron seguir adiante e están atendendo "234 participantes" nos accesos ao arenal de Oza, un espazo urbano da Coruña algo apartado do centro. Tamén se integra nese número a xente que está a practicar vela e a que surca os mares en piragüa, pero este ano hai accións tan apegadas a terra firme como o "sendeirismo". "Os grupos son máis reducidos e hai controis de seguido", explican desde a Fundación Jove, aludindo aos cambios que implicou a pandemia. Con ela ou sen ela as saídas xa comezaron hai varias semanas porque non é cuestión de deixar pasar o estío fechadas na casa. A entidade conta que a vela é, quizais, o deporte máis accesíbel porque as embarcacións están adaptadas. As quendas vanse formando segundo o que opine o cadro de monitoras, que xa ten experiencia doutros anos. Do que non hai dúbida é de que as e os usuarios aproveitan até o último raio de sol para gastar forzas neste programa, que ademais ten unha edición de inverno. |
PRAZA_18849 | A Xunta autorizou o pago dun millón de euros a KPMG polo informe sobre a fusión de Caixanova e Caixa Galicia no mesmo Consello no que anunciou o novo decreto do galego no ensino, o 30 de decembro de 2009, pero non o fixo público | O 30 de decembro de 2009 o Goberno de Alberto Núñez Feijóo arrodeou a súa xuntanza semanal dunha nube de misterio. Convocou o Consello da Xunta en mércores no canto de facelo en xoves, como é habitual. Fíxoo pola tarde e non en sesión de mañá, como adoito. E celebrouno por primeira vez na nova sala do Consello do complexo de San Caetano, creada durante as reformas ordenadas polo Goberno de PSdeG e BNG e que, segundo o PP de Feijóo, eran mostra evidente do gusto da esquerda en Galicia polo "desbalde" e o "luxo asiático".A Xunta autorizou o pago dun millón de euros a KPMG no mesmo Consello no que anunciou o novo decreto do galego no ensino, o 30 de decembro de 2009, pero non o fixo públicoToda aquela escenificación era o pano de fondo para que Feijóo concretase o que fora un dos seus cabalos de batalla electoral: a derrogación do decreto co que o bipartito desenvolvera o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega dos tempos de Fraga, fixando un "mínimo" do 50% de materias en galego. Na rolda de prensa posterior a aquel Consello Feijóo e o seu daquela conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, anunciaran que o Consello "avaliara" as "bases" do futuro "decreto do plurilingüismo". Non aprobara nada ao respecto. Só tratara un informe sen valor xurídico sobre o tema, primeiro paso simbólico dun proceso que non culminaría ata cinco meses despois, cando o novo decreto si foi aprobado.Mentres dende San Caetano xurdían titulares sobre a rebaixa da presenza do galego no ensino e Feijóo proclamaba a fin dunha suposta "imposición" e dun "modelo monolingüe", o presidente obviaba un acordo que o seu Goberno si aprobara. A referencia pública daquel Consello da Xunta do penúltimo día de 2009, composta por unha vintena de asuntos, tamén ocultou un acordo que o Executivo galego si adoptara: viña de autorizar o pagamento de 1,03 millóns de euros á consultora KPMG para elaborar un "diagnóstico preliminar sobre a viabilidade da fusión das caixas de aforros galegas". O informe que inicialmente ían pagar as caixas, pero que acabou pagando a Xunta.O certificado asinado por Rueda e Feijóo acredita a autorización do gasto o 30 de decembro de 2009 para pagar o informe de KPMG, contratado o día 22 do mesmo mes no que a consultora xa estaba a traballar dende o día 3A constatación de que a Xunta aprobou aquel 30 de decembro destinar 1 millón de euros ao informe das caixas pero evitou facelo público é un certificado asinado aquel mesmo día polo conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda -na súa calidade de secretario do Consello- e o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo. Trátase dun documento necesario para tramitar o gasto que a Consellería de Facenda comprometera con KPMG o día 22 do mesmo mes, xornada na que o departamento daquela dirixido por Marta Fernández Currás asinou coa consultora o contrato para uns traballos que, non obstante, a empresa estaba a realizar dende vinte días antes.Ese certificado asinado por Rueda e Feijóo, ao que tivo acceso Praza.gal, é parte da documentación que Antón Sánchez, deputado de En Marea, viña reclamando sen éxito á Xunta dende o ano 2013 no marco da comisión de investigación sobre a fusión e quebra das antigas grandes caixas galegas. Tras recorrer ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o Goberno accedeu a lle remitir parte dos papeis que pedía. Entre eles, a xustificación do pagamento a KPMG e as facturas emitidas pola consultora.Ían pagar as caixas, pero houbo "discrepancias"Entre os papeis da fusión aos que tivo acceso Praza.gal figura tamén unha memoria datada por Facenda na véspera daquel Consello, o 29 de decembro, na que xustifica a "necesidade" do contrato asinado o día 22 para os traballos iniciados o día 3. Nela explica que o plan inicial era que fosen Caixanova e Caixa Galicia as que pagasen o informe finalmente sufragado con cartos públicos e xustifica por que o millóns de euros acabou saíndo das arcas públicas. Esas discrepancias xa foran aludidas pola Xunta naqueles días, pero sen evidenciar que implicaran un cambio no pagamento do informe."Inicialmente estaba previsto" que as caixas "asumisen a contratación e o pago" de KPMG, pero "as discrepancias " entre cadanseus datos fixeron "aconsellable" que a operación fose pagada pola Xunta, xustifica Ambas entidades encargaran, "a nivel individual, estudos a consultoras independentes" sobre a eventual fusión que chegaran a "conclusións contrapostas"; o de Caixa Galicia era "favorable a unha fusión galega" e o de Caixanova, contrario á operación. A Consellería de Facenda, revela a memoria, tamén realizara "o seu propio estudo, concluíndo que aínda que o contexto é complexo e o proxecto resultante presenta uns primeiros anos complicados, a operación pode saír" e "non é peor que outras que se están a desenvolver".Este foi o escenario no que se celebraron "múltiples contactos" con ambas caixas, nos que que quedaron claras "discrepancias importantes" tanto "nas proxeccións, como nos datos de partida", ata o punto de tornar en "imposible" lograr "un achegamento" entre os datos de cada unha. Foi neste punto no que xurdiu o plan de contratar a KPMG. No mesmo día en que o Consello aprobou o gasto sen facelo público KPMG pasou a primeira factura, de 827.000 euros"Inicialmente estaba previsto, logo de falar coas caixas de aforros, que fosen estas as que asumisen a contratación e o pago da auditora", admite a Consellería no documento datado no 29 de decembro de 2009. Pero "as discrepancias xurdidas" fixeron "aconsellable" que a operación fose presentada como "unha inspección da Xunta" ao abeiro da lei de caixas vixente naquel momento. Unha situación de "emerxencia" que levou aquel Consello do 30 de decembro a aprobar o gasto dun millón de euros no informe, pero non a facelo público. Naquel mesmo penúltimo día de 2009 a consultora pasou a primeira factura a San Caetano por importe de 827.666,96 euros. O 14 de xaneiro chegaría a segunda, de 206.916,16 euros.En xaneiro de 2010 a Xunta afirmou contar cunha "auditoría" elaborada por KPMG que "avalaba" a fusión; a consultora reiterou despois que non fixera unha auditoría nin avalara a unión das caixasNeste contexto de "emerxencia", precisamente, é no que se apoia o Goberno galego para xustificar que KPMG fose contratada formalmente cando xa levaba 20 días a traballar no informe e no feito de que a contratación fose realizada sen un concurso público. KPMG, agrega, era a única gran consultora con "experiencia neste tipo de actuacións" que non tivera relación directa con Caixanova ou Caixa Galicia.Cando a Xunta aprobou e fixo efectivo o pagamento a KPMG o presidente e a conselleira xa levaban semanas a falar do informe asegurando que se trataba dunha "auditoría" -inicialmente referíanse a "auditorías", en plural- "pactada pola Xunta" coas caixas para "despexar calquera dúbida sobre a solvencia" da fusión. Nesta liña, o 20 de xaneiro de 2010 Fernández Currás presentou ante a prensa no nome da Xunta un resumo do que, afirmou, era a "auditoría externa encargada pola Xunta" a KPMG, a cal "avala a solvencia da fusión". Na última media década a propia KPMG reiterou en varias ocasións que o elaborado non foi unha auditoría e que o resultado do seu informe non foi un "aval" á fusión. O resultado da unión foi Novacaixagalicia, unha entidade fusionada que poucos despois, xa como Novagalicia Banco, tivo que ser rescatada con 9.000 millóns de euros públicos dos que apenas foron recuperados 1.000. |
NOS_21496 | Catro marines norteamericanos destinados en Afganistán teñen que facer unha incursión en territorio inimigo para matar ao perigoso líder talibán Ahmad Shah. Filme bélico de Peter Berg que ven a cubrir o cota de patriotismo anual do cinema ianqui. | Título orixinal: Lone Survivor Ano: 2013 Duración: 121 min. País: Estados Unidos Director: Peter Berg Guión: Peter Berg Fotografía: Tobias A. Schliessler Música: Steve Jablonsky Reparto: Mark Wahlberg, Ben Foster, Taylor Kitsch, Emile Hirsch, Eric Bana, Alexander Ludwig, Yousuf Azami, Ali Suliman SINOPSE Catro marines norteamericanos destinados en Afganistán teñen que facer unha incursión en territorio inimigo para matar ao perigoso líder talibán Ahmad Shah. A situación da un xiro cando topan cuns pastores de cabras que delatan a súa posición e caen nunha cruenta emboscada. CRÍTICA Filme bélico de Peter Berg ("Very Bad Things", "A sombra do reino", "Hancock") que ven a cubrir o cota de patriotismo anual do cinema ianqui. Abórdase a historia de Marcus Luttrell, que fai un cameo, o único supervivinte dun episodio de violencia dos autoproclamados defensores da liberdade en territorio afgán mentres utilizaban a escusa da procura de Bin Laden para descargaren toda a ira vingativa sobre o país e dominar territorios estratéxicos para seguir mantendo o liderado mundial. No que a película se refire, o protagonista é interpretado por Mark Wahlberg, pero non sorprende que destaquen por riba del os tres outros protagonistas do suceso: Ben Foster (inesquecible psicópata-pistoleiro en "O tren das 3:10"), Taylor Kitsch (inesperado heroe espacial da interesante "John Carter") e Emile Hirsch (de novo moi cómodo no medio de natureza e monte coma en "Into the Wild" ou "Prince Avalanche") que completan a cuadrilla de marines encargados de matar a un xefe talibán, e que acaban metidos nunha lea que lles supera. No alto mando un Eric Bana que só aporta careto e pose seria. Recórrese a imaxes de arquivo, tanto no principio, mostrando as durísimas probas que teñen que sufrir os marines, coma no final, cando sacan as imaxes das personaxes reais (para que comparemos se acertaron co casting) e saen os pertinentes rótulos explicativos de "qué foi de", mentres soa un emotivo "Heroes" de David Bowie (pero cantada por Peter Gabriel). "É unha película bélica pero ben podería ser un western na que os indios son os talibáns e os vaqueiros os marines americanos" É unha película bélica pero ben podería ser un western na que os indios son os talibáns e os vaqueiros os marines americanos; e mesmo remata aparecendo o sétimo de cabalería en helicópteros para espantar as hordas de salvaxes. Un punto conciliador entre tanto patriotismo americano é un apuntamento a que non todos os árabes son uns terroristas, máis que nada por si hai algún despistado nos USA que aínda o pensa. Tamén se aborda o antiquísimo código ético Pashtunwali, que data de tempos pre-islámicos, no que é lei a hospitalidade, a xustiza, a lealdade, e sobre todo, a protección que se lle da a unha persoa dos seus inimigos; aínda que estes sexan talibáns. Porén pásase moi tan de puntillas por esa parte que queda como mera anécdota. Ademais queda eclipsada por un maior interese en subliñar as típicas diferenzas culturais con uns máis que raiantes malentendidos lingüísticos. A sensación final é un tanto decepcionante en canto a isto. Pero de todas formas a película non engana a ninguén xa que a historia está escrita por un marine e, aparte de contar os feitos desde o seu punto de vista, tamén pretende ser unha homenaxe para os seus compañeiros de fatigas mortos en combate, e tamén para o home que lle axudou a sobrevivir, un afgano chamado Mohammed Gulab. Así que se entende ben ese ton tirando a heroico que se cheira no filme. Iso si, ten uns excelentes efectos visuais e maquillaxe. As escenas de caídas polos barrancos poñen os pelos de punta polo realismo, grazas tamén a un esmerado traballo de edición. A fotografía vai a cargo de Tobias A. Schliessler, habitual de Peter Berg, tratando de ser naturista e transmitir que estamos en Afganistán, aínda que se rodara en Novo México. Funciona como película de acción e se aprecia unha boa dirección que trata de introducirnos dentro dos feitos. Para afeccionados ao cine bélico e a quen guste das historias baseadas nun feito real. |
NOS_20552 | Cos votos favorábeis de SNP e Os Verdes (69 escanos), a Cámara mandata Nicola Sturgeon para negociar con Londres unha nova consulta. Votaron en contra conservadores, liberais e laboristas (59). | "O meu argumento é simple: temos dereito a decidir, (..) a elixir entre o Brexit ou sermos un país independente". A primeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon, foi mandatada esta terza feira polo Parlamento para negociar con Londres a realización dunha nova consulta independentista. Non vai ser doado. Theresa May xa dixo que "non é momento" para referendos" e que o importante é o proceso do Brexit, que vén de activar ao asinar a carta que informa formalmente o presidente do Consello de Europa da intención de Reino Unido de deixar a UE. Mais sen o Brexit non se entendería a petición escocesa. Os independentistas aproveitaron este escenario para solicitar unha nova consulta, pois a maioría dos escoceses votaron contra a marcha da UE. E a ameaza de ficar fóra da Unión Europea foi unha das máis reiteradas polo unionismo naquel primeiro referendo, 2014, para asustar sobre as consecuencias da independencia. A petición dunha segunda consulta foi apoiada por 69 deputados, SNP e Verdes, mentres 59 votaron en contra, conservadores, laboristas e liberais. |
PRAZA_19453 | O documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martin Códax, será exposto desde outubro en Vigo, a cidade e contorna que o inspirou hai oito séculos. Será a primeira vez que a obra saia da Morgan Library Museum de Nova York desde a década dos 70. | O Pergamiño Vindel, un dos cumios da literatura medieval galego-portuguesa, volve á terra onde naceu, á ría de onde xurdiu. O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, anunciaron este venres a exposición desta obra no Museo do Mar da cidade olívica nunha mostra que estará aberta ao público entre outubro de 2017 e marzo de 2018. O 'Pergamiño Vindel' será exposto no Museo do Mar de Vigo enre outubro de 2017 e marzo de 2018 Este pergamiño orixinal será a preza principal. Datado a finais do século XIII ou principios do XIV, contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax (seis delas con notación musical), nas que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar. Pergamiño Vindel abandonará por primeira vez Nova York, onde leva corenta anos depositado no Morgan Library Museum. Atrás quedan máis de dous anos de negociacións entre os responsables da prestixiosa biblioteca e a Universidade de Vigo, que fixo súa a suxestión da asociación cultural viguesa Pertenza para que o Pergamiño Vindel puidese ser exposto na cidade olívica, o que suporía algo que ata daquela nunca ocorrera: a saída do pergamiño do museo do que é propiedade desde a década de 1970. A Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia traballaron desde aquela "contra reloxo", segundo aclara a Consellería de Cultura, para validar tecnicamente a ubicación perante a Morgan, que deu o visto e prace ao Museo, que satisfai todos os requirimentos técnicos e adáptase perfectamente á temática das cantigas do Vindel. O conselleiro Román Rodríguez agradeceulle ao reitor da Universidade de Vigo ter impulsado e levado "a bo porto" as negociacións para que unha das institucións culturais de maior prestixio de todo o mundo como é a Morgan Library de Nova York accedese a ceder o pergamiño. "Será un acontecemento cultural único e un dos máis salientables que vivirá Galicia neste comezo do século XXI" Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, agradeceu a disposición da Xunta de participar na iniciativa para facer realidade este proxecto expositivo no Museo do Mar de Galicia, que acollerá o documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martín Códax, no que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar, e asegurou que "o regreso a Vigo do pergamiño, sete séculos despois da súa creación, será sen dúbida un acontecemento cultural único e polo tanto un dos máis salientables que vivirá Galicia neste comezo do século XXI". Román Rodríguez destacou que as cantigas de Martín Códax son, ao tempo, un dos berces da nosa lingua propia, un dos textos fundacionais das letras galegas e unha das máis perfectas realizacións literarias de toda a nosa historia. E definiu este documento como "un símbolo de Galicia, algo do que sentirnos moi orgullosos". A Xunta aclara que se fará cargo de todo o que teña que ver co proxecto expositivo: seguro, transporte, deseño, museografía, instalación e montaxe e desmontaxe no Museo do Mar de Galicia, un centro xestionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que, finalmente, será o lugar que acolla esta mostra, comisariada polo investigador e historiador Francisco Singul. Durante os meses nos que será exposto o pergamiño, desenvolverase un ambicioso programa de actividades Durante os meses nos que será exposto o pergamiño, desenvolverase un ambicioso programa de actividades para "facer partícipe a toda a cidadanía deste acontecemento cultural único, que permitirá estimular a curiosidade e o interese da sociedade sobre a figura de Martín Códax e a súa obra". O Museo do Mar ofrecerá, nunha sala especialmente acondicionada, a exposición Berce da nosa cultura con obras vencelladas ao pergamiño, ao mar, aos trobadores galegos, a súa obra e a súa época. Concertos, congresos internacionais e visitas escolares, son outras actividades que se desenvolverán con motivo do retorno do Pergamiño Vindel a Galicia. Datado a finais do século XIII ou principios do XIV, o Pergamiño Vindel é o documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martin Codax no que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar. A primeira columna do pergamiño contén cinco pentagramas, seis a segunda e a terceira e catro a cuarta. Ondas do mar do Vigo; Mandad'ei comigo ca ven meu amigo; Mia yrrmana fremosa treides comigo; Ay Deus se sab'ora meu amado; Quantas sabedes amar amigo e Ay ondas que eu vin veer, son as seis cantigas do pergamiño con notación musical, mentres que En o sagrad'e Vigo, carece dela. A súa estrutura musical é sempre idéntica, formada por dúas frases musicais, a segunda derivada da primeira, e un retrouso que inclúe unha terceira frase, cuxo material melódico se relaciona en moitas ocasións coas anteriores. |
NOS_169 | A Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez (AGABO) remitía unha carta aberta aos medios de comunicación sobre o que consideran un inxusto tratamento da información referida a Venezuela ao tempo que instan a un "un tratamento máis serio, xusto e profesional, das noticias que se refiren" a ese país. | Nesta carta, asinada por 52 intelectuais galegos, criticábase que os medios de prensa, radio e televisión "fagan eco de campañas mediáticas internacionais que teñen máis que ver con intereses xeopolíticos ao servizo de grandes centros de poder, que con unha boa práctica xornalística". Sinalaban que boa parte dos medios da Galiza "insiste en falar de 'ditadura venezolana' ou do 'réxime de Maduro' cun ton descalificativo para un país irmán, para o seu goberno elixido democraticamente e para un pobo que exerce con soberanía a súa vontade". Alén, destacaban as nove eleccións xerais, de distinto carácter, realizadas no país entre 2013 e 2018 ao tempo que esixen aos medios "un tratamento máis serio, xusto e profesional, das noticias que se refiren a Venezuela". Afirman que estas esixencias veñen a partir "do coñecemento directo que temos da actualidade venezolana" e que "este tratamento non enaltece o xornalismo, non nos fai máis cultos nin máis libres e tampouco fai honra da nosa tradición de respecto aos pobos do mundo". A lista de asinantes é: Xosé Luis Méndez Ferrín Cathryn Teasley Dario Xohan Cabana Xosé María Álvarez Cáccamo Vitor Vaqueiro Foxo Francisco Pillado Mayor Antonio Ojea Pérez Braulio Amaro Caamaño Miguel Anxo Fernán Vello Xesús Alonso Montero Eduardo Rodríguez Cunha "Tatán" Xacinto Barreiro Rodríguez Xosé Manuel Beiras Torrado Margarita Ledo Andión Alfonso Álvarez Cáccamo María Pilar García Negro Mónica Camaño Fandiño César Portela Fernández-Jardón Xosé Manuel García Crego Anxo Angueira Viturro Celso Álvarez Cáccamo Celso X. López Pazos Xosé Carlos Abal López-Valeiras Francisco Sampedro Ojeda Ánxela Beiras Ricardo Castro Buerguer José Carlos Costoya Mundo Cal Antonio Rodríguez Cabanas Nemesio Barxa Álvarez Cipriano L. Jiménez Casas Guillermo Crego Olaia Fernández Davila Manuel G. Garrido Manuel de Castro Francisco R. Veloso Anselmo López Carreira Francisco Lores Santacecilia Carlos Núñez Rodríguez Rosalía Pazo Maside Alfonso Martínez "Chicho" Félix Cal Julián Hernández Xosé Álvarez Fernando M. Randulfe Manuel Camaño Fandiño Rafael Pillado Liste Ramón Fernández Leal Luis Borines Sylvie Mascuñan Erea del Río Gustavo Luca |
NOS_51482 | Economista. Filósofo. Sociólogo. Guevarista. Revolucionario. Carlos Tablada (A Habana, 1948) aplica o principio básico do pensamento do Che e pensa con cabeza propia. Vacinado contra o derrotismo, móstrase certo de que os mellores días da Cuba socialista están aínda por vir. Grande divulgador da teoría (e da práctica) económica de Guevara, defende que o socialismo non é posíbel sen liberdade individual e colectiva. E identifica un adversario no combate: a burocracia, sexa capitalista ou formalmente socialista. Valoriza a figura e o legado de Raúl Castro -un auténtico "antiburócrata", un "revolucionario"- mais non teme pola súa ausencia unha vez que abandone o poder este abril: "Coas novas xeracións todo funcionará mellor". | Falo con Carlos Tablada na aula 4 da Faculdade de Filosofía da USC. Fala torrencial e apaixonadamente. Combina todos os rexistos, o do economista marxista e o do teórico da Revolución cubana. Hai ben tempo que non falo con alguén de esquerdas que deite tanto optimismo. Está en Compostela [a conversa foi a quinta feira 1 de marzo] para oferecer unha palestra. Tamén iría conferenciar en Vigo [sexta feira 2 de marzo]. Veu a Galiza convidado polo Comité Nacional Galego Ernesto Che Guevara, no marco dos actos que esta entidade organizou nos últimos meses arredor do 50 aniversario do asasinato do revolucionario arxentino. -Es o autor dun libro multi-editado El Pensamiento económico de Ernesto Che Guevara (1987, Premio Casa das Américas nese mesmo ano) e é curioso porque a faceta de Guevara como economista, aínda hoxe, é moi pouco coñecida. O Che continúa a ser un guerrilleiro, unha figura romántica... Porén, as súas achegas como economista á construción dos primeiros anos da Revolución cubana foron decisivas. E non só desde o campo da teoría: mesmo foi ministro de industria, responsábel do Banco de Cuba... -Deixa que che fale de algo antes de entrar niso. O Che naceu en Arxentina. Nunha familia de orixe aristocrática, moi culta por parte de pai e nai. Aos 3 anos falaba francés. A nai ensináballe francés. Seguiu a guerra civil española ao pé da letra. Mesmo na súa casa foron albergados nenos e mulleres de dirixentes republicanos. Até un xeneral do que non lembro o nome viviu, xa perdida a República, na súa casa. Despois acompañou intensamente a Segunda Guerra Mundial. Seu pai e el seguían cun mapa todas as batallas. Aos 23 anos, tiña toda esa cultura e, alén diso, percorrera toda a América Latina, Caribe e o Sur da Florida. Cando en 1955 coñece Fidel Castro, cando coñece os combatentes do asalto ao Cuartel Moncada [acción armada contra a ditadura de Batista que se produce en 1953], cando os coñece en Costa Rica, o Che estaba buscando unha causa revolucionaria para cambiar a situación de explotación que sofrían os pobos de América Latina. Facer o que Bolívar e Martí pediron. A verdadeira independencia, a unión dos pobos de América Latina e Caribe, a emancipación do imperialismo norteamericano. E ese proxecto encóntrao coa Revolución cubana. Ao entrar en contacto con Fidel fica xa recrutado. Cuba vén dunha tradición revolucionaria autóctona, cun pensamento herético. Lembra que cando asaltaron o cuartel Moncada, por exemplo, practicamente todos os partidos comunistas de América Latina acusaron Fidel de terrorista. -[Risos]. -Si, si. Acusárono de burgués, de terrorista. Os partidos comunistas non entendían que pasaba [en Cuba]. O mesmo partido comunista cubano, do que formaba parte meu pai, non foi até 1958 que decidiu darlle apoio ao Movimento 26 de Xullo. A Revolución rachou -como ben escribiu o Che no seu diario de campaña en Bolivia-, rachou con case todo, foi unha herexía contra as oligarquías e o dogmatismo revolucionario existente. Cando triunfa a Revolución, o Che, xa en combate, xa se tornara nun dos principais dirixentes cubanos, tamén na esfera militar. Repara en que con 300 homes tomou a cidade máis importante do centro do país, partiu o país en dúas partes, o Occidente e o Oriente. Foi quen de derrotar máis de 10.000 soldados con apenas 300 guerrilleiros! E esa vitoria militar foi a que precipitou a saída, a fuxida, de Batista. Eu tiña 10 anos e lembro que as persoas máis queridas polo pobo eran Fidel, Camilo e o Che. No momento en que triunfa a Revolución, o Exército rebelde era fundamentalmente un exército de campesiños e obreiros e empregados, eran semi-analfabetos. Miña nai era profesora e ensinou a ler e a escribir a quen foi escolta primeiro do presidente Urrutia [o primeiro após a chegada dos revolucionarios ao poder], despois do presidente Dorticós e finalmente de Fidel. O Che era dos que máis cultura tiñan. Naquela altura era fan da Unión Soviética. Mesmo cando coñece Fidel os seus planos de viaxe eran ir a París e Moscova. Defendía, hoxe diríamos que dogmaticamente, acriticamente, a Unión Soviética. E é o primeiro dirixente da Revolución cubana que viaxa aos países socialistas. Pois ben, en xuño de 1959, a 6 meses de triunfar a Revolución, fai unha anotación no seu diario, apuntamento que eu recollo no meu libro, en que el xa di que, nos países socialistas que visitara, non fora quen de atopar o espírito socialista. Eran sociedades máis xustas, educación, saúde gratuíta, pero o espírito socialista -el utiliza esa expresión- non aparecía, el non o encontraba. Nos primeiros momentos da Revolución é cando Fidel lle encarrega a tarefa de organizar a banca do país. Batista deixáraa sen diñeiro. O Che fíxoa aboiar de novo. Fíxoa sostíbel. E despois ocupouse da organización da industria do país. Nese momento o Che estuda o modelo soviético e chega á conclusión de que o modelo soviético responde ao sistema capitalista pre-monopolista, que foi o que coñeceron os rusos no momento en que se fixo a Revolución bolchevique. A contabilidade na URSS correspondía ao capitalismo do século XIX e principios do XX. O Che descubriu que o capitalismo norteamericano tomara La Habana e Cuba como un polígono de probas das tecnoloxías, das técnicas máis avanzadas na administración. Mesmo as primeiras máquinas IBM de saldo directo e os primeiros intentos de computerización na administración existían xa na Habana. A Texaco, a Standard Oil... E o Che di: "coiden diso", un convite para utilizar esa tecnoloxía avanzada [que a Revolución expropiou]. O Che ve por un lado a contabilidade do ábaco da Unión Soviética, propia do século XIX, e polo outro a contabilidade de costos norteamericana -que computababa até o último centavo, o último quilo. E pensou: para que vou coller isto [a contabilidade soviética], mellor apañemos estoutro [a norteamericana]. E non só: decatouse de que o método soviético [de organización da economía] non garantía a participación popular. Non daba a posibilidade de que a xente decidise. Era moi vertical, moi piramidal. E a xente non podía decidir. Criábase un alleamento, un distanciamento, entre o traballador -en teoría propietario dos medios de produción- e a dirección dese proceso de produción. E iso fai que el pense nun modelo alternativo, utilizando esa contabilidade que tiña Cuba, esa tecnoloxía administrativa, a máis avanzada do mundo nese momento, para a estender ao resto da industria do país. E, despois, a chave de todo: procurar un sistema que non reproducise o capitalismo. Porque o Che se decatou de que, poñamos por caso, cando unha persoa entra nunha fábrica estatal, ou privada, a producir bicicletas, ás 17 horas, cando rematou a xornada de traballo, nesa factoría non só se produciron 800 bicicletas ou as que fosen, non, alí tamén se produciron e reproduciron as relacións económicas, sociais, políticas, culturais, que caracterizan esa sociedade. Non só hai que ter en conta o que se cobra -se unha parte da plusvalía vai aquí ou vai alá-, senón a dinámica social que se estabelece na fábrica, entre traballadores e administradores -aínda que estes sexan socialistas, aínda que estes representen o pobo e o estado. E esa dinámica non só se produce na factoría, senón que tamén aparecerá fóra, a pé de rúa. -Nos primeiros 60, na Cuba socialista hai unha polémica bastante vigorosa sobre que modelo económico seguir, entre os defendores do cálculo económico -seguindo o padrón soviético- ou a escola aberta por Guevara, partidario do chamado sistema orzamental de financiamento. E nese debate o Che ten mesmo a lucidez de prognosticar que se a URSS seguía por ese camiño estaba a pór os alicerces para o retorno do capitalismo. -Iso é. Cando morre o Che, recebe todos os honores en Cuba, mais non se coñece o seu pensamento. Tanto a burocracia cubana como a soviética como a do imperio teñen un punto común: non dar a coñecer o pensamento do Che. Ninguén se pon [a investigalo]. Xorde un tolo como eu, que aos meus 19 anos teño unha discusión cun profesor soviético, na universidade da Habana, que me abre os ollos. O soviético afirma dúas cousas, fai dous plantexamentos categóricos. O primeiro, a Revolución de Fidel Castro non triunfou pola guerrilla, non triunfou pola loita armada, triunfou pola greve xeral dos obreiros. A segunda, que o Che estaba profundamente equivocado e que era un aventureiro, que era isto e que era o outro, que non era comunista, que non era revolucionario. Sobre a primeira proposición foime doado demostrarlle que estaba equivocado. A greve xeral faise cando xa estaban tomados todos os cuarteis do centro do país por Camilo e polo Che. Raúl entra desarmado e só no cuartel de Moncada que asaltara en 1953, a lle dicer aos soldados: "deixen todo iso, acabou a guerra, o que cometeu un crime de guerra, ese si ten que ser xulgado polos tribunais, o que non asasinou ninguén, o que non torturou ninguén, se pode incorporar [do novo Exército revolucionario]. Aí estaba Raúl, a discutir con eles tranquilamente. Fidel logo convocou unha greve xeral. -Mais a guerra xa estaba gañada. -Exacto. Foi a guerrilla quen a gañou. E sobre a segunda observación do profesor soviético, foi a partir dela que me decatei de que non coñecía o pensamento do Che. Saín da universidade bravo conmigo mesmo. Estarei eternamente agradecido ao profesor soviético. Vou ás librarías a comprar libros sobre o Che. Dígome a min mesmo "que estúpido son, amo o Che e non lle lin nada". Pero non encontro ningún libro. Ningún. Até que na Moderna Poesía, unha libraría da Habana vella, díxome o libreiro "mira, non hai nada publicado diso. Está esa polémica [económica, entre Guevara e os partidarios do cálculo económico], iso debe estar solto por aí nos xornais, vaite a Biblioteca Nacional e consulta a imprensa". E foi o que fixen. Eu xa daquela era profesor de filosofía da Universidade da Habana (gañeino por oposición sen ter idade). E entón eu aí leo e dígome "meu deus, que cousa é esta, aquí está!". Eu xa tiña ouvido Fidel, na Praza Cadena, ás 12 ou 12.30 recalaba na universidade, polo menos unha vez á semana, e púñase a conversar cos estudantes e profesores que se encontraba. Eu escoitaba a Fidel dicer barbaridades... e entón eu pido un ano sabático. Pensaban que era para estudar, mais non era iso. "Non, eu quero ser vaqueiro", díxenlles. Meu soño era ser vaqueiro. E funme para o plan de vaquerías, de produción de leite no cordón da cidade. E nesa época eu pensei como facer o libro, pensei en como facer a investigación. -E agora mesmo, na economía cubana actual, que fica do pensamento económico do Che? -Ben, estamos aquí, non? Lembro que cando desapareceu a Unión Soviética eu estaba en Madrid. Entrevistoume en 1991 o suplemento de El País Negocios e eu díxenlles: "Estou moi feliz, porque agora lles imos poder demostrar que nós non somos satélites da URSS". E engadín: en Cuba non vai pasar nen o de Berlín nen o de Rumanía. Ímolo pasar mal, mais nós imos resistir. Iso [a desaparición da Unión Soviética] debería ter acontecido nos anos 70, naquela altura nós xa tiñamos bastante ferro e armas para nos defendermos dos americanos. -Foi daquela un hándicap para Cuba a dependencia económica da URSS? -Non, non. Todo o contrario. Os soviéticos primeiro vendéronos armas e despois regaláronnas. Os americanos querían apoderarse de Cuba desde a doutrina Monroe. América Latina para os norteamericanos, dixera aquele presidente dos EUA. Non, non. Nós estamos, estaremos eternamente agradecidos ao pobo soviético. E ás direccións soviéticas que nos deron as armas gratis. Lembra que cando os norteamericanos nos deixaron de comprar o azúcar, foron os rusos quen nolo compraron. -Ben, perguntaba iso porque nalgunha ocasión tes dito que Cuba conquistou a independencia económica precisamente cando desapareceu a URSS... -Si, claro. Tiñamos independencia política, pero non tiñamos outra opción. Fecháransenos todas as portas. Como demos sobrevivido ao bloqueo, os norteamericanos aproban a Lei Torricelli. A finais do 91, o presidente Bush pai di: "En seis meses estou na Habana". E pasaron 6, 9, 10 meses e Castro seguía aí e non había revolta como en Berlín. Que pasa?, perguntábanse en Washington. Entón impulsaron a Lei Torricelli e tampouco lles deu resultado. Por que? Á altura de 1993 -que foi cando tocamos fondo- o PIB caera un 38 por cento en relación aos anos en que existía a URSS. Repara: na miña casa, nós facíamos 3 comidas todos os días e ben, tiñamos electricidade as 24 horas, e de súpeto pasamos a unha comida ao día, pasamos semanas sen luz, o transporte público paralizouse por completo, fechamos 75 por cento das fábricas, pero non fechamos ningún hospital, ningunha universidade, ningunha escola primaria ou secundaria... Tiñamos 22.000 bolseiros estranxeiros, incluídos norteamericanos, non botamos ningúen, non lles dixemos "fagan as malas e váianse", non, dixémoslles "fiquen, partillen a vida connosco". Priorizamos os nenos e os anciáns. Os traballadores dese 75 por cento das industrias fechadas continuaron a receber o seu salario. Non botamos ninguén. O ministro Solchaga -que o bon amigo Felipe González nos mandou para nos asesorar- dicía: "Non, vostés o que teñen que traer aquí é o FMI. Vostés teñen que deixar toda esa xente na rúa". 85 por cento das vivendas eran da propiedade do pobo, eran de cada un. Miña nai no ano 69 xa se fixo propietaria da súa casa. Non, non, vostés teñen que cambiar todo iso, dicíanos Solchaga. Naturalmente non lle fixemos caso. Optamos pola solidariedade. E saímos adiante. En 1993 freamos a caída e xa no 1994 comezamos a crecer. Estivemos medrando desde 1994 até 2012, segundo as estatísticas do Banco Mundial e o FMI, a un 4,7 por cento de promedio anual. Embora o bloqueo, comezamos a levantarnos de novo. Viron que non caíamos e promulgaron a Lei Helms Burton, unha lei totalmente extraterritorial, por iso a imensa maioría dos países do mundo votan contra ela. En outubro na asemblea da ONU ningún faltou á votación, houbo 191 votos contra o bloqueo a Cuba e só 2 a favor, os EUA e Israel. Aí está o Che. Estamos pensando con cabeza propia. O primeiro que dicía o Che é que había que pensar con cabeza propia, que non había que copiar ninguén. Sendo arxentino, el confiaba moito na criatividade do pobo cubano. Con esa criatividade derrotamos os yankees en Playa Girón, saìmos airosos da crise dos míseis, derrotamos os sudafricanos en Angola, un exército que até tiña armas nucleares, e freámolos e sentaron a conversar, Nelson Mandela fixo un recoñecimento expreso en Nacións Unidas do noso papel, porque as nosas tropas xa estaban entrando en territorio sudafricano... Liberamos Namibia! Esa criatividade comezámola entón a aplicar na sobrevivencia e en criar un modelo alternativo. -Nunha visita anterior túa ao Estado, en 2011, pouco despois do VI Congreso do Partido Comunista Cubano, concedes unha entrevista e dis que a causa pola construción do socialismo en Cuba pasa por gañar a que cualificabas como a "guerra sen cuartel contra a burocracia". Como vai esa guerra? -Non a gañamos aínda. Na historia da Humanidade non hai ningún pobo que puidese derrotar a burocracia. Nen Raúl Castro. Raúl Castro vaise agora en abril sen ter podido derrotar a burocracia. Non hai unha persoa -igual que o seu irmao Fidel- máis antiburócrata e máis revolucionario que Raúl. Marcha e non puido. A burocracia agrícola non a puido derrotar. A burocracia é forte, é realmente forte. Mais nós si que pregamos [submetimos] a democracia que herdamos. Ten en contra cal é a nosa herdanza. Nós por quen fomos invadidos? Fomos invadidos polos españois. A burocracia española nunha colonia. Eu non che teño que explicar en que consiste iso. -Está claro que non [rimos]. -E despois da española tocounas a yankee. Coidado! Non hai unha burocracia máis corrupta. Nós liberámonos desas [da española e da norteamericana]. Nós o que logramos é que esa burocracia funcione baixo principios revolucionarios. A educación en Cuba é 100 por 100 gratuíta. A saúde pública é 100 por 100 gratuíta. 21 de novembro meu sogro foi operado dun cancro nun pulmón. Detectáronllo o 5 de novembro. Unha operación de cancro en Cuba non pasa de dúas o ou tres semanas desde que cho detectan. Pasárono polos aparatos máis modernos, non tivo que pagar nada, non houbo que ir ver a ningún político. Nada! O 21 de novembro operárono. Logo foi a unha sala de terapia intensiva. Miña esposa dicíame: "Carlos, esta é unha nave espacial. Meu pai está cun médico e unha enfermeira, cada 8 horas rotan os equipos, un médico para el só!" Aos tres días subírono para a planta e está encantado e feliz e non tivo que pagar un quilo. Iso é así. Por iso estamos aquí aínda. -En 2011 naquela entrevista indicabas que naquela altura 98 por cento da riqueza do país era propiedade estatal. En 2014 porén a Asemblea Nacional cubana regula o investimento do capital estranxeiro no país. Houbo mudanzas significativas desde entón? -No sustancial non. Neste momento no que estamos pensando... -Non hai desembarco de capital foráneo á vista? -O problema é que con Obama se abriu unha posibilidade. Raúl e Obama chegaron a firmar abrir embaixadas de novo, asinamos 23 acordos. Non só no plano económico, tamén en cuestións como seguranza aérea, contra o narcotráfico, contra a lavaxe de diñeiro suxo. Mais veu Trump, que está nas mans da mafia cubana norteamericana terrorista, ten en conta que o presidente da comisión de intelixencia do Senado, Marco Rubio, gaña millóns ao ano co seu negocio da contrarevolución contra Cuba. E o presidente Trump ten unha denuncia pola trama rusa. Entón para desviar a atención inventaron unha enfermidade [que supostamente afectaría membros da comunidade diplomática norteamericana na Habana], sen que, claro, haxa a menor proba [de que sexa responsabilidade da intelixencia cubana]. Portanto, as relacións arrefriaron e o bloqueo aumentou, o que fixo que o ano pasado tivésemos algunhas dificuldades financeiras. En todo caso, e mesmo nesas circunstancias, Raúl xubílase co mérito de ter refinanciado a débeda externa de Cuba. Quitounos de enriba miles de millóns de dólares. O que estamos agora é pensando en mudar débeda por investimentos, isto é, facer copropietarios a algúns dos nosos acredores. Mais por iso non perdes soberanía. Continuamos igual. 98 por cento da riqueza en mans do pobo. Aí estamos! -Após o chamado debate dos liniamentos [o deseño da política económica do país], un proceso concluído en xullo de 2017 e caracterizado por unha moi significativa participación popular, o goberno cubano decidiu apostar no fomento das cooperativas. Un modelo de descentralización da economía que dalgún xeito ten ecos da Iugoslavia de Tito. -Non, non ten nada a ver. Ese é un defeito. Non o tomes a mal. Iso é o que lle pasa a Occidente e por iso non entenden Cuba. Sempre tratan de vernos cos espejuelos de outras experiencias. O modelo iugoslavo. O modelo chinés. O modelo vietnamita. Non entenden nada. Por aí non. Ese proceso continúa. Mais é certo que a aparición de Trump ten freado un chisco a aparición de negocios privados cubanos, o que vostés chaman aquí as pemes. -Cando caia a URSS caerá Cuba. Cando morra Fidel caerá Cuba. Cando Raúl deixe o poder caerá Cuba. Supoño que estarás farto de escoitar isto -tanta profecía incumprida-, porén teño inevitabelmente que che perguntar que pensas que vai pasar cando Raúl abandone a dirección do país, en abril deste ano. -Vai funcionar todo moito mellor. Moito mellor. -Por que? É que Raúl o fixo mal? -Non, non, en absoluto. A ver. Os pais tratamos de que os fillos sexan mellores. A miña filla é mellor do que eu. Traballei para iso. Meu fillo ten 6 anos e xa está pensando en montar unha fabrica de robots. Eu con 6 anos non pensaba nesas [ri]. Nós formamos xeracións mellores do que era a nosa. Por iso nos vai ir mellor a partir de agora. -Pergúntoche isto porque saberás que a esquerda occidental non sistémica ten certo medo de que o socialismo en Cuba poda estar en perigo. -Non, que non teman. Contéstoche cunha discusión que tiven en Roma sobre que cousa era China, se socialista ou capitalista. Eu dixen: non, os chineses son chineses. Vostés non entenden nada. Os chineses teñen unha cultura de miles de anos atrás. Se ti non estudache Confucio ti non entendes nada. Os chineses metéronlle man ao socialismo porque grazas a el Mao logrou quitar o pobo chinés das fames negras e vestir e darlle comida e teito a 600 millóns de chineses. Iso conseguiuno o socialismo. E por iso foron ao socialismo. E de súpeto repararon en que, tal e como ía o seu socialismo, estaba estancado e que, ante a presión do imperio, había que procurar alternativas e entón botaron man de instrumentos capitalistas. E hoxe é a primeira potencia do mundo. -O Che criticaría algúns aspectos da política económica chinesa. -Eu non sei o que pensaría o Che hoxe en día. Talvez estaría aquí ao meu carón a me dicer: "Tes razón". Todas as fotografías desta entrevista son da autoría de Laura R. Cuba |
PRAZA_8082 | Unha muller de 81 anos faleceu en Urxencias do Hospital Xeral de Vigo mentres agardaba para ser atendida. AGE denuncia a "masificación de pacientes" do centro e a espera "de máis de tres horas" e o BNG culpa do sucedido á "política de recortes da administración galega" | Unha muller de 81 anos faleceu a pasada madrugada no servizo de Urxencias do Hospital Xeral de Vigo mentres agardaba para ser atendida. O Sergas afirma que xa se abriu unha investigación interna para coñecer os motivos do sucedido e estas mesmas fontes descartan en principio que se producira un caso de mala praxe -foi valorada por un médico ao chegar-. Porén, PSdeG, AGE e BNG xa anunciaron que esixirán que a Xunta dea explicacións no Parlamento e que a Consellería de Sanidade abra unha investigación. As tres formacións fan fincapé no "colapso" e na "masificación" que sofre o Servizo de urxencias do Hospital Xeral de Vigo As tres formacións fan fincapé no "colapso" e na "masificación" que sofre o Servizo de urxencias do Hospital Xeral de Vigo. Os socialistas realizarán unha pregunta no Parlamento para coñecer o estado das urxencias en Galicia nun contexto de "sobrecarga" de traballo no que "non se cobren as baixas". AGE sinala que esta situación se agravou dende o comezo de marzo "polo aumento de incidencias, entre outras, das enfermidades respiratorias" e que "a situación alcanzou un índice insoportable dende o luns día 4 de marzo cando o tempo de espera para cama de hospitalización e probas diagnósticas alcanzou, nalgúns casos, demoras de ata dez horas". Dende AGE engádese que neste caso a muller permaneceu agardando en urxencias durante tres horas, "o que fai evidente a necesidade de abrir unha investigación ao respecto" e de que a Xunta e a Consellería de Sanidade realicen "melloras no servizo para que os casos de colapsos e as súas consecuencias non se repitan". Para Carlos Aymerich, a morte da paciente no servizo de Urxencias de Vigo "é consecuencia da aplicación dunha política de recortes da administración galega polo que pedirá sexan investigadas as causas" Pola súa banda, o BNG lembra que a situación de "colapso" do hospital é "coñecida polo Goberno galego tras ser denunciada recentemente a través dun informe do Consello de Contas". Para o portavoz de Sanidade do BNG, Carlos Aymerich, o Goberno galego non tivo en conta a recomendación do informe sobre a necesidade de reforzar o servizo nin tomou medidas para melloralo, moi ao contrario, seguiu practicando recortes que mesmo agravaron o "seu colapso". Para o nacionalista, a morte da paciente no servizo de Urxencias de Vigo "é consecuencia da aplicación dunha política de recortes da administración galega polo que pedirá sexan investigadas as causas". |
NOS_29622 | A conselleira de Igualdade di que o episodio machista acontecido no programa da TVG Land Rober estivo "totalmente desacertado" ao non saberse "recoñecer un caso de control", cuestión que reduciu a un "erro". O BNG responde que non foi un "erro", xa que o programa non era en directo, "foi gravado e editado". | Para a conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta, María Jesús Lorenzana, o episodio machista acontecido no programa da TVG 'Land Rober' estivo "totalmente desacertado" ao non saberse "recoñecer un caso de control", cuestión que reduciu a un "evidente erro". No programa, o presentador insistiu a unha moza que acudiu como público para que aceptase reencontrase coa súa ex parella. Ante a insistencia, acabou recoñecendo en público que cortara a relación por episodios de acoso e control. Lorenzana puxo en valor as desculpas dadas polo presentador do programa e a produtora mais eludiu responsabilidades asegurando que corresponde ao director xeral da CRTVG ofrecer explicacións, e emprazou a ouvilas na comisión de control ao ente público que decorrerá esta sexta feira. Tras a resposta da conselleira, insistindo "no desacertado" do programa, a deputada do BNG Olalla Rodil negou que fose un "erro", xa que o programa, engadiu, non era en directo, "foi gravado e editado para evitar a emisión das imaxes de como o señor entraba en plató despois de acantoar unha muller que non dera o seu consentimento". Para a deputada do BNG "non chega con pedir perdón, xa que o acontecido non pode pasar como unha anécdota máis porque é un síntoma da deriva en que está instalada a CRTVG. Cómpre unha reflexión profunda como pediron desde o Colexio de Xornalistas de Galiza, o Comité Intercentros e a plataforma Defende a Galega", sinalou. "O que aconteceu no programa Landa Rober, é gravísimo. Seríao en calquera medio de comunicación pero aínda máis nunha televisión pública que pagamos todas as galegas e galegos", dixo Rodil dirixíndose á conselleira de Igualdade, esta cuarta feira, 28 de abril, no Parlamento galego. Este país, explicou a nacionalista, "non inviste máis de 100 millóns de euros ao ano para financiar 'telelixo' porque invadir a intimidade dunha persoa para crear contido é 'telelixo', e falar do 'dereito dun home a recuperar a súa namorada' é machismo, e arrinconar unha muller para que acepte ver a quen non quere, é machismo", sentenciou Rodil, asegurando que o programa Land Rober e a TVG incumpriron as recomendacións do Consello de Administración da CRTVG, as leis de igualdade e os códigos deontolóxicos da profesión, remarcou. |
NOS_5165 | 1.200 persoas participan no que supuxo o primeiro gran acto de campaña para o Bloque, no que Xavier Vence cargou contra as "políticas inhumanas do PP" e a candidata Ana Miranda afirmou que "é un desperdicio votar a forzas estatais que marxinan Galiza". | O Auditorio de Galiza ficou pequeno para o Encontro Nacional do BNG, no que representou o comezo real da campaña das eleccións europeas que se realizan o 25 de maio. Centos de simpatizantes nacionalistas acudiron ao acto, que puxo en valor a candidatura galega que encabeza Ana Miranda e tamén foi moi crítico co neoliberalismo e perda de soberanía que, segundo o Bloque, define a Unión Europea. O evento comezou coa intervención do debuxante Xosé Lois O Carrabouxo, que pediu "cambiar Europa" namentres xunto a el a actriz -e candidata do BNG- Isabel Risco afirmou que cómpre "levar ao Bloque a Europa para non ter que ir emigrar alá". O humor crítico dominou o comezo do Encontro, que axiña atopou resposta entre @s asistentes cando se sinalou que "España e Alemaña teñen unha tendencia depredadora". Suso Domínguez foi o seguinte en tomar a palabra, cunha frase demoledora: "Pasei de ser insubmiso a ser os das preferentes". Afectado polo calote bancario, o tamén candidato nacionalista definiu o Bloque como "ferramenta indispensábel para loitar na rúa e nas institucións contra o roubo da banca". Despois, Vitoria Louro resumiu o seu sentir cunha simple declaración ("son nacionalista e feminista") que obtivo enormes aplausos. "O capitalismo é amigo do patriarcado", asegurou. Pola súa parte, Xavier Aboi, responsábel da CIG Mar e portavoz dos afectados pola falta de acordo pesqueiro con Mauritania, queixouse de que "chamen delincuentes aos que traballan no cerco", reivindicación dos sectores produtivos moi presente durante todo o acto. Despois, evidenciando o renovado drama da emigración na mocidade, participou desde Italia, cun audiovisual, Iago Lestegás, militante de Galiza Nova, que culpou a PSOE e PP da "falta de traballo na terra propia". "Se a mentira fora delito, eles serían a cadea perpetua", di Vence en alusión ao PP Falou tamén Alba Castanedo, que reivindou a educación como arma do cambio e berrou contra a resignación, e o escritor Suso de Toro, que reafirmou o seu compromiso coa potencialidade do país, ao que lle engadiu referencias á militancia no sindicalismo agrario e nacionalista. E defendeu o idioma. "Elixín para escreber o galego, a única lingua de Galiza. Queiran ou non, somos unha nación". Mocidade Co Auditorio encendido, Olalla Rodil -número tres da candidatura- insistiu en que 118.000 mozos e mozas tiveron que emigrar expulsadas de Galiza". "Non hai complexos, non aceptamos mentiras", recalcou, facendo tamén unha defensa do rural, especialmente afectado polas políticas europeas. O seu discurso dou paso á actuación d'Os Tres Trebóns, que fixeron cantar aos presentes: "Non temos medo, temos fame". Co recinto posto en pé e ao berro de "Galiza ceibe, poder popular", foi o número dous da listaxe do BNG, Xosé Manuel Carril, que denunciou a "Europa dos lobbies" e asegurou que "a alternativa está na soberanía". Foi a quenda despois do portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, que destacou o perfil d@s 19 candidat@s da súa organización e destacou o seu combate "contra as políticas inhumanas do PP", ao que se refiriu dicindo que "se a mentira fora delito, eles serían a cadea perpetua". Ademais, retrucou a Feijóo chamándoo "irrelevante". Miranda "Queremos zouparlle ao PP e a Troika, mais non só iso, queremos a soberanía", engadiu Vence, na intervención anterior á da cabeza de lista do BNG, Ana Miranda. Sen disimular a emoción, a que foi eurodeputada na anterior lexislatura -"a única que non estivo de "miranda", chanceou o Carrabouxo- puxo énfase en afirmar que "o Bloque non está co pobo; é o pobo". "Somos os da casa, non temos que chamar a Rajoy, a Rubalcaba ou Cayo Lara, só atendemos a chamada do pobo galego", dixo Ana Miranda "Somos a Galiza rebelde, se nós estamos, Galiza está", engadiu a candidata nacionalista, que se negou a ser "cota rexional" e negou que o BNG dea "carnés de galeguidade, o que ocorre é que outro se esquecen de Galiza". "Europa resgata bancos á vez que deixa na estacada a milleiros de persoas", engadiu Miranda, que levantou ao público ao pedir unha ovación para Camilo Nogueira, que tamén foi deputado nacionalista en Estrasburgo e estaba presente no encontro. "É un desperdicio para Galiza votar a forzas estatais que marxinan o noso país", asegurou a candidata do Bloque -que neses momentos xa era nas redes sociais Trending Topic- que tamén puxo exemplos concretos: "Na Limia e en todo o país saben que fomos nós os que levamos alá a loita contra a megaminería: PP e PSOE votaron contra o Naval, contras as Rías, contra a gandeiría". "Somos os da casa, non temos que chamar a Rajoy, a Rubalcaba ou Cayo Lara, só atendemos a chamada do pobo galego", dixo Miranda no remate do acto, que significou toda unha inxección de forza para o BNG cara ao seu obxectivo de renovar representación no Parlamento Europeo e se pechou coas 1.200 persoas cantando o himno galego. |
NOS_55485 | O ex primeiro mininistro José Maria Neves fíxose con 51,5% dos sufraxios. | O presidente electo de Cabo Verde, José Maria Neves, manifestou esta segunda feira a súa disposición a "dialogar com todos", apelando ao traballo conxunto do Estado e da sociedade civil para superar a fonda crise económica que vive o país por causa da pandemia. O que fora primeiro ministro caboverdiano entre 2001 e 2016 resultou elixido na xornada electoral do domingo por maioría absoluta, con 51,5% dos votos, desbotando a necesidade de segunda volta. "Trata-se de uma grande vitória do povo de Cabo Verde. Quem ganha numa jornada cívica desta envergadura são as cabo-verdianas e os cabo-verdianos, nas ilhas e na diáspora, que deram um grande exemplo de civismo", afirmou Neves, no discurso da vitoria en Praia. Nas rúas da capital celebrouse o seu triunfo que, segundo os datos da Direção Geral de Apoio ao Processo Eleitoral e da Comissão Nacional de Eleições ─con 97% das mesas escrutadas─, foi de case dez puntos sobre o segundo candidato máis votado, Carlos Veiga. O tamén ex primeiro ministro (1991-2000) atinxiu 42,6% dos sufraxios nesta a súa terceira vez en que se postulaba para o cargo, tras facelo en 2001 e 2006. A porcentaxe restante de votos repartiuse entre os cinco candidatos restantes, tamén todos varóns, sen que ningún lograse alcanzar 2%. En total votaron 186.991 persoas, que se corresponde cunha porcentaxe de abstención de 51,7%. Dualidade política Neves, que substituirá no cargo o saínte Jorge Carlos Fonseca, contou co apoio do esquerdista Partido Africano da Independência de Cabo Verde (Paicv), con quen foi primeiro ministro. Veiga estaba amparado polas formacións demócrata cristiás Movimento para a Democracia (MpD) e União Caboverdiana Independente e Democrática (UCID). O líder do MpD, Ulisses Correia e Silva, é o actual primeiro ministro de Cabo Verde. Neves informou de que xa conversaran telefonicamente. "Conto poder trabalhar com o Governo, com a lealdade necessária, para juntos enfrentarmos os desafios que se colocam a Cabo Verde", declarou. "Trata-se de uma enorme responsabilidade presidir à nação cabo-verdiana nestes tempos e recebo essa vitória com a grande humildade que sempre me caracterizou", manifestou Neves. "As cabo-verdianas e os cabo-verdianos podem contar comigo [...] Serei o Presidente de todos os cabo-verdianos, serei um árbitro imparcial, um fiscalizador da ação governamental, um apaziguador de conflitos, um Presidente que irá colaborar com o Governo, com as autoridades locais e a sociedade civil", engadiu o mandatario electo. |
NOS_22873 | O lema será 'Non hai represión que parte a loita obreira' e terán lugar os días 15, 28, 29 e 30 de outubro diante dos xulgados de Vigo | "Non nos amedrentarán coa aplicación da Lei Mordaza por parte do PSOE a través da Delegación e das Subdelegacións do Goberno". Así de concluínte estivo esta cuarta feira 9 de outubro o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na rolda de prensa que tivo lugar en Vigo e coa que a central sindical quere responder ao que considera un "intento de utilizar tanto o sistema xudicial como os instrumentos que ten a Delegación do Goberno para tratar de silenciar esta resposta e de impoñer un determinado relato da realidade". A resposta aos casos que levaron aos xulgados sindicalistas da CIG virá da man dunha convocatoria de concentracións que, co lema de "Non hai represión que parte a loita obreira", defenderán o dereito de folga e mobilización. As concentracións terán lugar diante dos xulgados de Vigo os vindeiros días 15, 28, 29 e 30 de outubro. O seu epicentro coincidirá co xuízo ao que se enfronta o ex secretario comarcal de Ferrol Xesús Anxo López Pintos A mobilización e a folga como ferramenta de loita O propio secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, explicou que a campaña exixe a anulación da Lei Mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal. "Temos que saír á rúa a defender a mobilización e a folga, que son as principais ferramentas que temos a clase traballadora para defender os nosos dereitos", apunta. Carril critica que o PP "utilice os resortes que ten na súa man para asañarse nesta estratexia de empobrecer a clase traballadora, vulnerar os nosos dereitos e cencenar a capacidade de poder exercer liberdades democráticas e fundamentais como neste caso o dereito á folga". Por último o secretario xeral da CIG censura que nos informes da Fiscalía se faga "unha lectura arrepiante que rezouma unha posición moi reaccionaria, xa que se relaciona a folga cos actos vandálicos e de boicot, impedindo o exercicio normal da actividade laboral, cando isto é precisamente o sentido das folgas". Xuízos contra sindicalistas da CIG Para explicar algúns dos casos participaron na rolda de prensa Suso García, secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo e Transi Fernández, secretaria nacional da CIG-Servizos. O responsábel de Transportes da FGAMT-CIG de Vigo, Carlos Martínez Lamosa, está acusado de facer unha pintada durante o conflito polo convenio de ambulancias, cuxo xuízo terá lugar a próxima terza feira 15 de outubro. O sindicato convocou unha concentración de apoio diante do edificio xudicial ás 10:30 horas. O secretario comarcal da FGAMT-CIG de Vigo, Suso García, relata que "levabamos dous anos negociando o convenio con xuntanzas cada tres ou catro meses". O sindicato comezou a convocar mobilizacións e nunha delas apareceu unha pintada en Baiona. "Está claro que este tipo de represión á que o capital nos quere acostumar é para amedrentarnos e que non reclamemos os nosos dereitos". O segundo dos xuízos ten relación co conflito na cafetaría do Meixoeiro. En 2010 a empresa Oh Vigo fíxose coa súa xestión a través de irregularidades, segundo denunciou a propia CIG. "Cando se fai coa xestión tivo que subrogar o persoal, comezando a partir de aí o calvario para o persoal". As mobilizacións foron importantes, mesmo cunha acampada. Transi Fernández, secretaria nacional da CIG-Servizos, apunta que o propietario da empresa, Javier Valverde, "para nós é un terrorista patronal" pola grande débeda que deixou con Facenda e co propio hospital. Malia gañar as traballadores e traballadores os xuízos o empresario presenta tamén "denuncias falsas contra todas as traballadoras que rescindisen o seu contrato, acusándoas de coaccións por estar mal psicoloxicamente e que tivo que gastar moitos cartos na súa saúde". Fernández explica que "o problema é que o xuíz lle fai caso e pasa o tema ao Penal e hai varias traballadoras e traballadores imputados coa petición de entre 10 meses e case catro anos de cadea e unha multa que ascende en total a case 800.000 euros". |
NOS_47681 | Comités, Liga Estudantil e Agir consideran que a medida, contemplada no decreto 14/2012 do Goberno español e que vén de ser aprobada no Consello de Universidades, é "inaceptábel", "drástica" e "un brutal ataque ao ensino público". Os tres reitores cadran tamén ao tildar a suba de "recadatoria" | Malia conxelárense os prezos das primeiras matrículas, o Consello de Universidades aprobou esta mañá a suba de taxas para as segundas, terzas e cuartas matrículas, tal e como propuxera o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, seguindo as directrices de Madrid contempladas no RD 14/2012. O incremento contemplado será do 20% para a segunda matrícula, do 66% para a terceira e do 90% para a cuarta, que se aplicarán de maneira progresiva durante tres anos. Mentres os tres reitores cualificaron de "recadatoria" esta medida, as organizacións estudantís do nacionalismo cadran tamén ao rexeitala. En sendos comunicados, os Comités, Liga Estudantil e Agir consideran que a suba das taxas é unha medida "inaceptábel", "drástica" e "un brutal ataque ao ensino público". Así as cousas, os Comités valoran que o acordo do Consello Galego de Universidades prevé "un aumento alarmante das taxas universitarias de aquí a tres anos", e centran as súas críticas no forte aumento de prezos nas matrículas sucesivas, cunha penalización que, se ben recoñecen que "xa existía", consideran "abusivo que sexa destas características", ao colocar sobre os ombreiros do estudantado toda a responsabilidade das materias suspensas. Pola súa banda, desde a Liga Estudantil insiren esta decisión "na liña de ataques" ao ensino público "no camiño á mercantilización" iniciada hai tres anos coa aprobación do Espazo Europeo de Educación Superior --o Plan Bolonia-- "e a elitización" dos estudos universitarios. Tamén esta organización estudantil concorda en que a suba das taxas torna @ estudante responsábel únic@ das súas cualificacións "sen ter en conta que en todas as carreiras existen gran cantidade de suspensos non sempre achacábeis ao pouco esforzo do alumnado". Após lembraren que "o ensino público é un privilexio e non un negocio", desde Agir achacan a suba das taxas a dúas premisas "falsas", como son o cálculo "errado" do custo dos estudos, ao se incluíren partidas que non teñen a ver co ensino; e a idea de que "o estudantado suspende porque non se esforza". A organización independentista entende todas as medidas contempladas no real decreto ditado polo Goberno español na mesma liña que o fixeron Comités e a Liga: no camiño cara a elitización, obviando as causas "obxectivas e sociais" do fracaso académico. |
NOS_14862 | Á volta de 1972, Francisco Rodríguez escribía no seu libro sobre Curros Enríquez que no século XIX e na Baixa Idade Media atopábanse moitas das chaves que explicaban a situación da Galiza. Cinco décadas despois achega unha publicación, Unha etapa estelar e conflitiva do reino de Galiza (a segunda metade do século XIV). Tomo I A relevancia do reino medieval galego, editado pola AS-PG, resultado de moitos anos investigación, onde percorre a historia do reino da Galiza, cunha especial dedicación aos feitos acontecidos no século XIV. O vindeiro 9 de febreiro presenta no Museo do Pobo Galego, en Compostela, o primeiro tomo da investigación. Na entrevista publicada no semanario "Sermos Galiza" deste sábado -que se vende co Nós Diario- desvendamos algunhas das claves da nova publicación. | Por que lle dá tanta importancia á segunda metade do século XIV? Porque realmente significa a primeira fenda de importancia que se produciu para estabelecer a dependencia da Galiza e o comezo da dinámica na que aínda estamos inmersos. Implicou tres mutacións de suma importancia. Deixamos de ter unha clase dirixente coesa, capaz de dirixir o conxunto ou a maioría da sociedade galega. Como consecuencia, deixou o reino de ter estratexia propia, ben marcada, con obxectivos claros e o espazo de comunicación, significativo do espazo de poder, isto é, o uso da lingua propia cunha evolución de lingua normal, comezou a ter buratos, deixando de ser de uso exclusivo na sociedade galega, na escrita e na oralidade. Mudaron, pois, as relacións políticas e culturais coa monarquía, co reino de Castela. E mudou o modelo económico-social moi avanzado para a época que se xestaba na Galiza, entrando nun funil de retroceso. O que acontecía aquí no século XIV, na dinámica galega, non se axusta nada a esa visión da nobreza galega como opresora sen matiz ningún. Se analizamos a realidade a fondo, na Galiza se estaba a producir un proceso revolucionario para a época. O historiador Jiménez de Rada, vinculado á estratexia papal na Península, e principal sustento intelectual da raíña Berenguela e do seu fillo Fernando III, é o artífice dunha visión contraria á existencia de Galiza como reino orixinario. Como explica que se fale do reino de Asturias ou de León e se negue a existencia do reino da Galiza? Iso ten unha tradición histórica. Os xermes desta eliminación da Galiza como reino están xa no deseño que se fixo para converter Castela no reino máis importante da Península, en especial da súa parte occidental. O reino de Castela aparece cunha certa presenza, poder ou relevo con quen chaman Alfonso VIII. Os aparatos propagandísticos deste reino de forma progresiva van erguendo una xustificación no pasado que sustente o avoengo e lexitimidade de Castela, como reino hexemónico e dominante. Así comeza o problema. O historiador Jiménez de Rada, vinculado á estratexia papal na Península, e principal sustento intelectual da raíña Berenguela e do seu fillo Fernando III, é o artífice dunha visión contraria á existencia de Galiza como reino orixinario. Despois está xa o propio Afonso X e as crónicas castelás, sobre todo as que se escreben no XIV. Hai que xustificar que o reino de Castela ten antecedentes desde o século VIII. Crearon a idea de que o reino respondía á continuidade da monarquía visigótica. Buscaron antecedentes de oposición ao mundo musulmán, porque non o podían ter en Toledo, en Oviedo, e comezaron a montar toda esa mitoloxía, que ten, como toda mitoloxía, un mínimo de real e un máximo inventado. Desta maneira, obviaron que o reino cristián orixinario foi Galiza. Este deseño aguzouse cos historiadores do S. XIX, sobre todo a partir de Modesto Lafuente, até chegar a Menéndez Pidal, que asentou a teoría dos cinco reinos medievais: Portugal, León, Castela, Aragón e Nafarroa. E este é o esquema dominante no ideolóxico. Este deseño está cheo de contradicións insalvábeis, malia estaren no cerne de todos os estudos dos medievalistas españois. Seguen á mantenta conservando o deseño de que a Galiza é reino de Asturias e logo reino de León. Ás veces os propios datos que manexan e as valoracións que fan contradín o esquema, porén no mudan o deseño. É penoso: o peso dos dados debería levar, mesmo dunha posición españolista, a falar dun reino galaico-astur ou galaico-leonés, adaptando os seus intereses á verdade. A referencia ao Reino de Asturias ou ao Reino de León absorbendo o da Galiza, choca con as vinculacións familiares dos reis seren galegas, se lexitimaren a través de Santiago de Compostela e con coroacións na súa igrexa. Os apoios decisorios eran da clase dirixente galega. Os carolinxios e os musulmáns non tiñan a menor dúbida. Os dous documentos mais importantes e depurados de prosa latina da Alta Idade Media, a Historia Compostelá e o Códice Calixtino, son taxativos. Non deixa lugar a dúbidas de cal é o reino, mesmo de cal é a patria co concepto mental de entón, e mesmo cal é a nación. Os galegos xa no século XI falan da Terra de Foris, un espazo que sería León e Terra de Campos, que ten a ver con eles, pero desde o sentido político ou de influencia, pero non é a Galiza endóxena A que realidade xeográfica e política se refire cando fala do reino da Galiza? Os galegos xa no século XI falan da Terra de Foris, un espazo que sería León e Terra de Campos, que ten a ver con eles, pero desde o sentido político ou de influencia, pero non é a Galiza endóxena. Senten León como unha marca do propio reino de Galiza. Iso vese no espírito que ten a Historia compostelá e na documentación da época. Había unha idea de pertenza moi diferenciada, moi clara, ao reino da Galiza a pesar de andar por motivos políticos e comerciais ligados a esas terras do leste. Nunca falan de Terra de Foris cando se refiren a Porto ou mesmo Coimbra. É máis, para o Códice Calixtino as cidades portuguesas ao sur do Douro son tamén galegas. É dicir, é un territorio recoñecíbel cultural e lingüisticamente, na dinámica social e política, como algo mais próximo. En todo caso, con Alfonso VI fálase da Galiza enteira e da Galiza total, co Bierzo, A Seabra, e polo sur mais aló do Douro... . Aínda o Padre Mariana admite esa dimensión do reino de Galiza, considerando galegas as comarcas devanditas hoxe administrativamente en León. Coa aparición do reino de Portugal como independente da Galiza, o Miño actuou como fronteira durante a Idade Media? O Portugal de Afonso Henriques non representou ningunha ruptura na clase dirixente galego-portuguesa, seguiu a ser a mesma, a unha beira e a outra beira do Miño, que non representaba fronteira ningunha. Había unha especie de imprecisión á hora de saber onde comezaba ese Portugal en construción. Todo o máis, podemos falar dunha fronteira imprecisa, maleábel, con vasalaxes duais. A clase dirixente actuaba con solidez nunha ou noutra parte, en relación coas dúas monarquías, que estaban ademais familiarmente moi vinculados. Do XII ao XIV o que houbo foron conflitos de carácter familiar, que non chegaban a ser nunca guerras no espazo galego-portugués. Portugal xurdiu como unha monarquía diferenciada porque ao Papa lle interesaba ter un Estado de cruzada. As Ordes militares, unha creación en certa maneira galega, estaban moi interesadas nesa política. O conflito Braga-Santiago tamén axudou á separación. Foi curioso a maneira de resolvelo. Braga quedou con todos os bispados galegos, como sufragáneas, unha cuña que se metía dentro do propio reino de Galiza. De Santiago dependían varias dioceses portuguesas. Foi a maneira de recoñecer que había unha unidade social e mesmo política na tradición histórica. Até finais do século XIV hai esperanza de que poida haber retorno a unha unidade monárquica dos dous reinos. Concédelle moita importancia aos reinados de Fernando II e o do seu fillo Afonso VIII… Estes reis son realmente espectaculares. É imperdoábel a marxinación que padecen, e desde unha óptica galega moito máis. Son singulares en todos os aspectos: cultural, artístico, relixioso, político. Destacaría, en primeiro lugar, o desenvolvemento con eles das cidades, das vilas, que responde a un desenvolvemento da agricultura e o comercio, e o desenvolvemento dunha arte románica con apuntes do gótico, que se expresa na Catedral fortaleza de Compostela. A historiografía española ten conciencia, se fala de que estes reis eran os máis poderosos da Península naquel momento histórico. E ten conciencia de que sen Galiza isto non existiría. E iso recoñecíano até os máis férreos defensores da españolidade, como Luis Suárez Fernández. Destacaría tamén a intención política, de politización do territorio, colocando un símbolo da dinastía como é un panteón na catedral de Compostela e a partir de aí a perspectiva de ir enterrando todos os reis no que era o centro político do reino. En terceiro lugar, a estratexia de unidade con Portugal a través dos matrimonios, respectivamente, con Urraca, Afonso e Tareixa, fillas de Afonso Henriques e o rei Sancho de Portugal. Temos que subliñar a política de relacións comerciais e culturais co mundo musulmán, que provocou que os dous reis fosen excomungados, o reino fose interdito, e as ameazas do Papa continuas para impedir que a política de alianzas matrimoniais con princesas portuguesas callase nun proceso de unidade. A historiografía española ten conciencia, se fala de que estes reis eran os máis poderosos da Península naquel momento histórico. E ten conciencia de que sen Galiza isto non existiría. E iso recoñecíano até os máis férreos defensores da españolidade, como Luis Suárez Fernández. Algúns admiten que, malia denominárense reis da Galiza e León, eran en puridade reis galegos e da Galiza, medievalistas leoneses que estudan os itinerarios destes reis para comprobar cal eran os seus niveis de adhesión territorial teñen que admitir a identificación e predilección que tiñan coa Galiza e con Santiago, de forma absoluta no caso de Afonso VIII. Son reis para nós fundamentais, e a historia española absórbeos para integralos na súa saga de reis pero de forma marxinal e sen relevo. Afonso VIII colócano como IX e procuran descualificalo pola alianza cos musulmáns, por non participar na batalla das Navas de Tolosa e favorecer a unidade co reino de Portugal... A morte de Afonso VIII en 1230 significa a integración da Galiza na monarquía de Fernando III. Como ficou o reino nesta nova situación? Este si é un tema pouco estudado e que merecía unha atención porque se resolve, desde Galiza, dicindo que a partir de Fernando III, non temos monarquía propia e Galiza entrou polo funil definitivo, sen remisión. Isto non é tan así. A historia hai que mirala cos matices que ten, ou tampouco entenderemos as dinámicas distintas que esa fase da Galiza dominada mostra. Do contrario, seremos incapaces de explicar con corrección as fases do proceso, e impídenos ver os sucesos de relevancia e as diferenzas cualitativas entre elas. A partir de 1230 o que houbo foi unha combinatoria de ameazas, disuasións e presións internacionais, en especial papais, con certo tipo de pactismo con boa parte da clase dirixente galega, aparecendo tamén a oposición aberta e o conflito. Imos ver, desde 1230 até que Fernando III pode declararse rei da Galiza pasan tres anos. Até 1233 non se puído considerar Fernando III rei de Galiza, cando de León xa o foi en 1230. Iso merecía investigarse. De feito, algúns cronistas casteláns si recoñecen que houbo moito conflito, mesmo armado, parcial, sectorial... Temos que ter en conta que no propio cumio quen podía representar a continuidade de Afonso VIII foi sometido a través do propio Císter e das Ordes Militares, coa chantaxe, o suborno con moito diñeiro. Fernando III tivo que percorrer toda Galiza en 1232 de arriba abaixo prometendo que se ían conservar todos os privilexios, todos os foros e toda a legalidade. Respectábase un espazo de autonomía forte, a clase dirixente ía poder comportarse coa liberdade de antes mais cunha diferenza: o poder político xa non estaba totalmente centrado aquí.Diría que é unha relación de carácter pactual. Habería tres grandes espazos: o galego, o leonés e o castelán. O propio Fernando III encargouse, a través da política de cruzada para combater o mundo musulmán, de comprometer eses sectores da nobreza galega nese expansionismo. A iso é ao que hai que darlle unha análise e un estudo moito máis a fondo. De feito, o proceso de normalización do galego, do seu uso escrito, que se empeza a producir a finais do noso Afonso VIII, non foi impedido nin diminuído por esta integración na monarquía plurinacional. Desenvolveuse mais, con normalidade, até finais do XIV, que foi cando comezou a aparecer o problema. Foi, pois, unha integración pactual, case confederal, mais moi conflitiva; e cun recoñecemento da personalidade da Galiza, a través dos adiantados -case sempre eran da clase dirixente galega- e dos meiriños, e en momentos puntuais, simbólicos ou conflitivos, a colocación dun príncipe da casa reinante á fronte do país. A familia dos Castro marcou a historia da Galiza nos séculos XIII e XIV, cal é a súa orixe familiar e a base do seu poder? Este é o caso máis representativo dunha liñaxe que ocupou o posto de maior relevo e con maior vitalidade política da Galiza. Os Trava, que dominaron a vida política galega até os tempos de Fernando II, foron substituídos, contando co parentesco familiar, polos Castro, que son os seus continuadores. O primeiro Castro que ten relación con Galiza para integrarse aquí, a través do casamento con Estefanía, irmá de Fernando Pérez de Trava, comeza a adaptación da liñaxe ao noso país. Por que veñen aquí? O importante é que até o século XIV compórtanse con criterios dunha coherencia pasmosa: actúan como señores da Galiza, dentro dunha orientación non anti-musulmá, con evocación da independencia do reino e da unidade con Portugal, e sendo conscientes de onde viñan. Viñeran a Galiza do exterior, desde unha situación de Terra de Foris. Fernando Ruiz de Castro, que morreu combatendo cos exércitos, que simbolizaba o príncipe Felipe como castelán á fronte deles, nas portas de Monforte, fixo antes testamento, por suposto en galego. Na parte que se conserva na Catedral de Santiago di que os seus antepasados estaban soterrados en "Balboa do Doiro, de onde eu veño", isto é, nun mosteiro perto de Valladolid. Era consciente de que viñan de fóra, mais consideraba a liñaxe integrada, representativa, galego-falante, e defendía a independencia do reino da Galiza. Hai unha teoría que di que eran descendentes do rei García e hai quen leva a contraria. Habería que explicar por que a coherencia deste comportamento dos Castro. Quen pretende que as nacións aparecen no XIX comete unha amputación histórica grave, pois esas nacións con Estado xorden sobre os antecedentes da historia anterior. E xa para rematar, podemos falar da existencia da Galiza como nación nese momento? Claro, outra cousa é que entendemos por nación. Se nos queremos referir á construción dun Estado no sentido que se lle dá a partir da segunda metade do XIX, non é así. Esta identificación Estado-Nación é unha operación que se realizou no século XIX. Durante todas as etapas anteriores, non era esta a semántica do termo, nin o pode ser hoxe falando con rigor conceptual e conforme á realidade. Se se fala dunha nación natural, que responde a un espazo xeográfico, a unha lingua, unha cultura e a unha auto-conciencia de ser galegos... iso está na Historia compostelá, no Calixtino... Quen pretende que as nacións aparecen no XIX comete unha amputación histórica grave, pois esas nacións con Estado xorden sobre os antecedentes da historia anterior. De feito, as nacións que no XIV entraron polo funil da dependencia, están hoxe a maioría nesa dependencia, no mundo occidental. As que saíron airosas dese conflito son Estados. Pretender que unha nación é unha invención do capitalismo é unha barbarie total e de aí vén a confusión nación-Estado. Que Galiza tiña todas as potencialidades para ser unha nación con Estado se a súa historia non fose interferida é unha realidade contundente. Cando o dominio foi grave, entramos en etapas históricas nas que se construíu o Estado centralista. O XIX fixo a desaparición dos reinos que correspondían a nacións: na Galiza amputaron unha parte do territorio. |
NOS_46048 | Na costa de Malpica é imposíbel facer un percorrido continuo polo abrupto do relevo, altos cantís separados por vales fondos e estreitos polos que escoan cara ao mar, en forma de minguados regueiros, as augas dos arredores. | Pero existen numerosos espazos puntuais aos que se pode acceder desde as localidades máis próximas, polos que completar curtas camiñadas de ida e volta e variado interese. Un dos máis interesantes pola variedade, diversidade e curiosidade dos seus aspectos naturais é a contorna da praia de San Miro. No curto espazo no que se percorren, para vela toda, uns 3 quilómetros de ida e volta, podemos gozar dunha praia, unha fervenza, unha furna, un impresionante furado, cantís rochedos e panorámicas dentro do LIC/ZEC e ZEPA Costa da Morte. Paraxe: Costa da Morte | Concello: Malpica | Dificultade: Baixa | Percorrido: tres quilómetros Para ir ao lugar collemos a estrada de Malpica a Carballo e chegamos a unha rotonda na que temos á dereita a saída a Buño e do outro lado a Cambre. Collemos esta última e desde a localidade xa atopamos indicadores que por unha estradiña estreita nos conducen sen perda á praia de San Miro, un areal recollido, ao que se achegan moitas persoas para gozar dun día de lecer, nun seo no que desauga en fervenza o rego de San Miro. Recoméndase aproveitar para coñecer outros lugares próximos, como as panorámicas da costa, o illote de San Bartolomeu, e o burato da furna das Grallas. Vindo de Cambre, cando chegamos fronte ao mar, case á beira, pero a máis 50 metros sobre o nivel, a estrada fai unha curva á esquerda para baixar á praia. Na entrada dese xiro hai un camiño á dereita que nos permite ir a unha zona desde a que, por un carreiro, nos achegamos ao pé do illote de San Bartolomeu e temos unha boa vista dos cantís da punta Falcoeira. No remate da mesma curva, desde onde se abrangue un bo tramo do litoral, a localidade de Malpica e as illas Sisargas, hai un carreiro que baixa á punta Falsa, polo que nos achegamos ao burato da parte alta da Furna das Grallas ou Monte Furado, un impresionante afundimento, con paredes de até 30 metros de altura, que se produciu ao derrubarse o teito dunha cova, que ten dúas saídas ao mar, ao que é posíbel acceder coa marea baixa. No remate do asfalto temos o acceso, acondicionado, á praia de San Miro, unha pasarela con tramos de escaleira, debaixo da que se acolle unha abundante poboación dun fento (Adiantum capillus-veneris) que só se atopa en lugares húmidos e sombrizos. Á esquerda da baixada, xa no areal, atópase a fervenza, minguada en caudal en tempo de seca, mais igualmente fermosa, que cae nas rochas da parte baixa do cantil, onde forma un pequeno pozo. |
NOS_30366 | A rede disporá de 32 novos docentes -un por cada centro coordinador- para "atender as necesidades de reforzo do alumnado, tendo en conta a singularidade do alumnado do rural". | Os centros educativos galegos contan, desde este curso, cunha nova ferramenta de apoio para o seguimento do alumnado con maiores dificultades, tanto desde o punto de vista educativo como familiar, a Rede de Orientación Persoal e Familia da Galiza. A rede, segundo informou a Consellería de Educación nun comunicado, constituíuse esta semana nunha reunión que estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na que tamén participaron coordinadores e equipos directivos dos 32 centros públicos de Infantil, Primaria e Secundaria, que exercerán de dinamizadores nas súas respectivas áreas. A Xunta destina un orzamento de máis de sete millóns de euros a esta iniciativa A rede disporá de 32 novos docentes --un por cada centro coordinador-- para "atender as necesidades de reforzo do alumnado, tendo en conta a singularidade do alumnado do rural". Cada un destes docentes será responsábel dunha Unidade de Acompañamento e Orientación persoal e familiar. A esta iniciativa, que se enmarca dentro do Plan Recupera "para blindar a calidade do sistema educativo e evitar que ninguén quede atrás", a Xunta destina un orzamento de máis de sete millóns de euros. Os docentes designados en cada centro serán os encargados do desenvolvemento de actuacións de apoio e seguimento ao alumnado que o necesite. A súa función será a de complementar a actuación ordinaria dos centros da área, sobre todo atendendo ás situacións máis delicadas. Ademais, realizaranse labores de acompañamento ás familias, ofrecéndolles recursos "para unha maior implicación nos procesos educativos dos seus fillos". Esta Rede de Orientación Persoal e Familiar da Galiza servirá tamén de apoio e reforzo ao traballo dos máis de 4.000 profesionais dedicados á orientación e o reforzo educativo que "diariamente traballan de forma ordinaria nos centros educativos galegos". |
PRAZA_8055 | O voceiro parlamentario dos nacionalistas segue a "apostar por diferenciar referentes orgánicos e institucionais" e subliña que está "totalmente satisfeito" na Cámara, se ben se pon "á disposición" da militancia na Asemblea do 17 de marzo | Semanas antes da última Asemblea Nacional do BNG, celebrada a finais de xaneiro de 2012, era público e notorio quen optaría á portavocía nacional da formación. Tamén o foi en 2009, xusto despois das eleccións que supuxeron a saída dos nacionalistas da Xunta e que, como na Asemblea que a formación frontista celebrará o vindeiro 17 de marzo, supuña unha remuda segura no liderado, toda vez que o actual portavoz nacional -daquela Anxo Quintana, hoxe Guillerme Vázquez- non opta á reelección. Cando faltan menos de semanas para o plenario da asemblea a discreción segue a ser, con contadísimas excepcións, a tónica dominante. A toma de postura pública máis clara ata o momento chegaba este luns por boca do voceiro parlamentario do Bloque, Francisco Jorquera, e non para postularse, senón máis ben para descartarse case por completo. Preguntado pola prensa a respecto de se entra nos seus plans ser portavoz nacional, Jorquera optou non por pechar a porta completamente, pero si por facelo o suficiente como para que haxa pouca marxe para a dúbida. O nacionalista "entendeu" sempre a política "como un compromiso colectivo" e por iso, como "sempre", está "á disposición" da organización "para desempeñar as funcións nas que os compañeiros e compañeiras consideren que podo ser máis útil". Pero, dito isto, Jorquera argumenta o autodescarte: dende 2009 o BNG "apostou por diferenciar referentes orgánicos e institucionais" e el concorda con ese modelo. Jorquera defende a separación de referentes "institucionais e orgánicos" e declárase "satisfeito" no Parlamento "Nun contexto dunha auténtica crise sistema" é aínda "máis importante que unha forza" con vontade "transformadora" non "reduza o traballo político" ao ámbito institucional, senón que "preste moita atención ao traballo organizativo e social". Polo tanto, vén dicir, non cabe compatibilizar o traballo de encabezar o grupo parlamentario, como fai actualmente, e facer o propio co conxunto do BNG. Así as cousas, Jorquera só sería portavoz nacional se abandonase a portavocía parlamentaria, pero "eu síntome totalmente satisfeito co labor que desempeño" na actualidade e ademais "confundiríamonos se reducísemos o debate ás "persoas". Descartado case por completo dunha eventual carreira polo liderado Jorquera desbota tamén profundar na que se presenta como maior fronte de friccións no proceso, o desacordo coas teses políticas da Asemblea manifestado dende o colectivo Abrente que lidera Carlos Aymerich. "O que máis nos preocupa é como mellorar e perfeccionar o BNG para ser unha ferramenta útil e contestar o proceso de involución democrática" os "ataques aos dereitos sociais básicos e revitalizar o proxecto nacionalista en Galiza". No marco dese proceso, resolve, é "lexítimo que distintos compañeiros formulen os seus puntos de vista". Nas últimas semanas circularon extraoficialmente nomes como os de Carme Adán ou Xavier Vence Así as cousas, a trece días da Asemblea as eventuais candidaturas permanecen, cando menso polo momento, no ámbito dos ruxerruxes. Neses falares en voz baixa ecoou durante algún tempo o nome da deputada Carme Adán e nos últimos días cobra forza o do economista Xavier Vence, quen tivo especial peso na redacción dos textos da asemblea e quen ademais nunca ocupou ningún cargo orgánico de primeira liña política. En calquera caso, no seo do Bloque dáse por feito que o panorama comezará a clarexar a medida que se achega a asemblea, especialmente despois do vindeiro Consello Nacional. A resposta, en calquera caso, o 17 de marzo en Compostela. |
NOS_40780 | A representación das e dos traballadores denuncian que non se lles está a informar da situación malia ter residentes illados e programada a realización de probas PCR esta mesma tarde. Ademais, 13 auxiliares faltaron aos seus postos de traballo estes días. | A representante da CIG no centro residencial Volta do Castro, en Compostela, e traballadora da infraestructura, Mar Peteira, falou esta terza feira por boca de todo cadro de persoal ao denunciar "a falta de información" que está a padecer. Neste caso referiuse á existencia de posíbeis novos contaxios da Covid-19. Para esta tarde estaban previstas varias probas PCR, debido á existencia de usuarias e usuarios en situación de illamento "por síntomas compatíbeis". A sindicalista comentou que o domingo "comezaron a chegar informacións de traballadoras e traballadores nas que amosaban a súa preocupación porque comentábase que unha auxiliar de enfermería dera positivo" por coronavirus. O sindicato subliñou que estes "rumores" implicaron a falta de 13 auxiliares ao seu posto laboral "porque supostamente están na casa agardando polas probas". Ademais, 130 residentes fican fechados nos seus cuartos. Nove casos vinculados ao Multiusos Por outra parte, a área sanitaria de Santiago rexistrou un novo gromo do que se informou hoxe. Este afecta, segundo as primeiras noticias, a nove persoas. Os positivos rexistráronse após de detectarse un caso activo nas instalación deportivas do Multiusos Fontes do Sar. |
NOS_56815 | Eva Solla tamén acusou o Goberno galego de "seguir concedendo licenzas autonómicas" ás casas de apostas que "non teñen licenza municipal". | Común da Esquerda denunciou que a Xunta pretende ampliar o horario de apertura das casas de apostas e así "facilitar o negocio deste lobby empresarial" a pesar do "grave problema de saúde pública" que supoñen estes espazos. Nunha rolda de prensa ofrecida esta quinta feira na Cámara galega, a deputada Eva Solla tamén acusou o Goberno galego de "seguir concedendo licenzas autonómicas" ás casas de apostas que "non teñen licenza municipal". "A Xunta segue poñéndose ao lado dos empresarios do xogo lonxe de tomar algún tipo de acción e contrariamente ao xa anunciado", dixo a parlamentar, que recordou que a administración galega comprometeuse a frear a aparición destes establecementos. Solla lembrou que o Partido Popular votou no Parlamento da Galiza contra un proxecto de lei presentado polo seu grupo para "frear a proliferación" destes espazos ao asegurar que a Xunta xa traballaba na súa propia norma ao respecto. Porén, a pesar dos meses que pasaron, a deputada criticou que se chegue a final de ano sen coñecer o texto no que traballa a administración galega. "Non imos permitir que a lexislatura remate cun incumprimento da promesa de frear as casas de apostas", dixo. "Hai un grave problema de saúde pública e o único que fai o Goberno galego é modificar as condicións para que as casas de apostas continúen a proliferar", criticou. |
PRAZA_6577 | Dende o pasado sábado un grupo de persoas da Asemblea de Movementos sociais de Vigo manteñen unha acampada ante a sede da Xunta na cidade. Denuncian os limitados recursos das axudas sociais e a demora no pagamento da Risga. | O pasado sábado 27 a Asemblea de Movementos sociais de Vigo convocou unha concentración contra o "colapso" das axudas sociais de emerxencia, denunciando a limitación dos seus recursos e a demora no pagamento da Risga. Ao remate da marcha, na que participaron un cento de persoas, varias delas decidiron iniciar unha acampada indefinida nos xardíns de Montero Ríos, ante a sede da Xunta na cidade, en demanda de "Pan Traballo e Teito", como destacaba un comunicado. Os acampados, unha ducia a primeira noite, continúan no lugar este martes e esperan que nos vindeiros días se lles unan máis persoas e colectivos. O obxectivo principal é darlles visibilidade aos problemas que sofren os sectores máis pobres e excluídos da cidade. A RISGA centra moitas das súas críticas, e denuncian a tardanza do Goberno galego en conceder estas axudas, que chega aos oito meses. Esta mesma semana a Oficina Dereitos Sociais - Coia sinalaba que a pesar de que o 1 de xaneiro de 2014 entrou en vigor unha nova lei de RISGA, a Xunta aínda non desenvolveu o decreto que desenvolva a lei "e mentres as de sempre sufrimos as consecuencias dunha lei moi condicionada pola escaseza de orzamento". O grupo de acampados e acampadas en Vigo destaca que "diñeiro non falta" e nun dos seus carteis ("Non pode ser! Escaleiras mecánicas e xente sen comer!) critican o gasto, na súa opinión innecesario, de case medio millón de euros realizado polo Concello de Vigo nas escaleiras mecánicas, aínda sen funcionar, colocadas na Porta do Sol. De igual xeito, tanto a manifestación como o establecemento da acampada tiveron lugar o mesmo día no que chegaban a Vigo os cruceiros de luxo Oasis of the Seas e Celebrity Infinity, con máis de 10.000 turistas a bordo. Un turismo de alto nivel, recibido polas máximas autoridades (entre eles Alberto Núñez Feijóo, Abel Caballero, Rafael Louzán e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello), que os e as impulsoras desta acampada contrapoñen coa realidade e as dificultades que viven milleiros de vigueses e viguesas. Membros da policía achegáronse xa en varias ocasións até o lugar da acampada, de momento sen buscar o desaloxo da protesta. Porén, segundo algúns dos participantes na concentración, si lles indicaron que debería marchar de alí antes do 18 de outubro, cando de novo chegará a Vigo o Oasis of the Seas. |
NOS_13128 | Abanca e Sabadell xestionaron operacións avaladas polo ICO por valor de 1.850 millóns | Contar co aval do Instituto de Crédito Oficial (ICO) á hora de solicitar un préstamo é unha oportunidade que moitas empresas e autónomas galegas non puideron deixar pasar, ben por necesidade ou por aproveitar a ocasión para mellorar a liquidez dos seus negocios. Nas primeiras liñas de avais, que coincidiron cos meses máis duros até o momento da crise sanitaria pola COVID-19, as empresarias acudiron en masa a realizar este tipo de operacións. Como recoñecía esta terza feira Abanca na presentación dos resultados do primeiro trimestre, o número de operacións de crédito avaladas polo ICO xestionadas pola principal entidade por cota de mercado na Galiza ascenderon a 9.469 para pemes e autónomas, cun total de 893 millóns de euros. A estas hai que sumar as de Corporativa, outras 364 operacións por valor de 547 millóns de euros. Outra das entidades de referencia no país, o Sabadell Gallego, herdeiro do negocio do Banco Gallego, aprobou máis de 1.800 operacións por valor de 405 millóns de euros para dotar de liquidez pemes e autónomas. Entre as dúas suman case 2.000 millóns de euros concedidos en pouco máis de mes e medio. Santander, BBVA e Caixabank confirmaron a Nós Diario que non dispoñen de datos territorializados sobre o número de operacións realizadas. Nova vaga de avais O número de millóns concedidos nas operacións avaladas polo ICO seguirá aumentando nos próximos días, xa que o Consello de Ministras aprobou na súa última reunión un terceiro tramo de avais para empresas por importe de 24.500 millóns de euros. Este terceiro tramo da liña ICO está destinado á concesión de créditos para financiamento cuxo importe total se repartirán pemes e autónomas por unha banda, e empresas por outra. Como explicou a ministra de Facenda, María Jesús Montero, na rolda de prensa posterior ao Consello, as entidades bancarias non poderán repercutir ningún custo financeiro nin vinculalos á contratación de ningún outro produto, impedindo así prácticas denunciadas por algunhas usuarias. "Imos suxeitando as liñas a vixilancia e reforzando algunhas cuestións", apuntou a ministra. Outro dos puntos que se reforzará é a obriga das firmas beneficiarias dos avais de empregar o financiamento obtido a facer fronte a necesidades de liquidez, como xestión de facturas, pago de nóminas ou a provedores, necesidade de circulante ou vencementos de obrigas financeiras e tributarias. En ningún caso para o pagamento de dividendos. O único requisito que deben cumprir as empresas solicitantes para acceder a estas garantías é o de non estar en situación de morosidade a 31 de decembro de 2019, ou en procedemento concursal a 17 de marzo de 2020. Unha vez se habilite o novo tramo de avais, terase consumido xa máis de 60% dos 100.000 millóns de euros consignados no programa de axuda de financiamento ás empresas. Esta liña está xestionada polo ICO, en colaboración coas entidades financeiras, que son as que asumen o custo do aval, que se sitúa nun rango de entre 20 e 120 puntos básicos. |
NOS_28605 | Primeiro foi unha iniciativa social difundida polas redes e agora é Solidaritat Catalana per la Independència (SI) quen solicita que os xogadores da selección española doen a súa gratficación para fins sociais. Esta formación independentista catalá tamén pediu que se prohiban as celebracións con símbolos fascistas. | Antes do partido da final da Eurocopa entre España e Italia xurdiu unha iniciativa popular que pedia que os xogadores cedesen a súa gratificación por gañar o torneo, 300.000 euros, para fins sociais. Como exemplo tiñan aos xogadores de Italia que cedían a súa para as vítimas do terremoto de Emilia Romgna. Rematou a competición e os xogadores de "la roja" non se comprometeron a nada. Agora a formación Solidaritat Catalana per la Independència (SI) informou que pedirá por carta aos xogadores cataláns ou que xoguen nos Países Catalás que formen parte da selección española que doen a prima "libres de impostos que gañaron a entidades sociais catalás para facerlle fronte a crise e diminuír deste xeito en 2,7 millóns de euros o expolio fiscal que padece Catalunya". Bertran informou que os xogadores que recibirán a carta son Víctor Valdés, Xavi Hernàndez, Andrés Iniesta, Pedro Rodríguez, Cesc Fàbregas, Jordi Alba, Sergio Busquets, Gerard Piqué i Raül Albiol. SI informou que pedirá por carta aos xogadores cataláns que doen os 300.000 euros Simboloxía fascistaUriel Bertran, secretario xeral de SI, solicitou tamén a comparecencia do conselleiro de interior, Felip Puig, en relación coas manifestacións de celebración da vitoria española nas que se exhibiu simboloxia nazi, fascista e franquista. "Hai que terminar coa impunidade que teñen cando a propia Generalitat prohibe actos independentistas". |
NOS_46447 | As eleccións presidencias danlle a vitoria a Chávez que recunca no goberno após tres lexislaturas. O apoio popular amosa a vontade do pobo venezolano de continuar avanzando cara ao socialismo. | Case dezanove millóns de venezolan@s estaban chamad@s ás urnas nas eleccións presidenciais que tiveron lugar o pasado domingo en Venezuela. Con case 13.000 colexios electorais a xornada transcorreu sen incidentes marcando un fito de participación en que máis do 80% do electorado exerceu o dereito a voto. Tibisay Lucena, presidenta do Consello Nacional Electoral asegurou que Venezuela escribiu unha "páxina brillante dentro da democracia" grazas a un proceso "tranquilo, sen sobresaltos, coa ledicia deste pobo que decidiu saír votar masivamente". A última hora da tarde [hora venezolana], o CNE facía públicos os primeiros resultados após escrutárense o 90% das actas. Os datos daban a vitoria ao candidato Hugo Chávez que obtiña finalmente o 54,4% dos votos (7.860.982 papeletas). Con máis dun millón de votos de diferenza, o candidato da oposición, Henrique Capriles --apoiado polos partidos da dereita-- recibía 6.386.155 votos (44,55%). Porén, a respecto dos resultados obtidos nos comicios de 2006 a oposición aumentou notabelmente o seu número de apoios que ficaban daquela no 37%. Pouco despois de se coñeceren os resultados electorais o candidato pola Mesa da Unidade Democrática (MUD), Henrique Capriles, asumía en conferencia de prensa a vitoria de Hugo Chávez como "a vontade do pobo" e agradecía aos máis de seis millóns de persoas que o votaron por lle amosaren o seu apoio. Así mesmo, o candidato da dereita púñase "ao servizo" de toda a cidadanía venezolana --tamén d@s que non o votasen-- pois asegurou ser un "servidor público". Pola súa banda, o presidente (re)electo festexou rodeado por milleiros de persoas a súa vitoria e saudou o pobo venezolano desde o balcón do pobo no Pazo de Miraflores, onde parabenizou todo o país polo que considerou "un día memorábel". Chávez asegurou que após a xornada electoral en Venezuela "comeza un novo ciclo" e fixo un chamamento aos sectores da oposición a "saír dese estado anímico que levou boa parte deles a descoñecer todo o bo que hai nesta terra" para seguir mellorando cada día máis a prol da unidade nacional. Chávez: "Esta Venezuela de hoxe é a mellor que tivemos en 200 anos" Apoio e parabéns desde América LatinaMoitas foron as persoas que transmitiron a noraboa a Hugo Chávez após coñecérense os resultados das eleccións presidenciais. A través da súa conta oficial na rede social Twitter (@CFKArgentina), a presidenta arxentina, Cristina Fernández, parabenizou "ao pobo venezolano pola exemplar xornada democrática" e asegurou que o presidente Chávez estaba a recoller "a colleita" das terras que arara e sementara durante estes anos. Así mesmo, Rafael Correa, presidente do Ecuador, empregou as novas tecnoloxías para lanzar unha reacción inmediata. Correa (@MashiRafael) parabenizou o presidente de Venezuela polos "case dez puntos de diferenza" que lle outorgaron a vitoria e asegurou que coas eleccións venezolanas "novamente se derruban as mentiras dos de sempre", apelando ás voces da oposición que aseguraban que o proceso iniciado nestes anos non contaba co apoio popular. Tamén así, Raúl Castro, felicitou desde Cuba "en nome do goberno e do pobo cubanos" a Chávez polo que dixo foi unha vitoria histórica que demostra "a fortaleza da Revolución Bolivariana e o seu incuestionábel apoio popular". Castro amosouse convencido de que o triunfo chavista "asegura a continuidade da loita pola xenuína integración da Nosa América Latina". Pola súa banda, Evo Morales, presidente de Bolivia, aseverou que o triunfo de Chávez "non é só o de Venezuela, senón o de todos os países da ALBA" que loitan, dixo Morales, "pola súa dignidade, soberanía e por forxar o seu propio destino". Aliás, o que fora presidente de Honduras, José Manuel Zelaya Rosales, enviou unha misiva ao presidente Chávez en que transmitiu a súa ledicia polo triunfo "do socialismo en América Latina" e asegurou que a vitoria bolivariana imprime vixencia "ao pensamento de Bolívar, Morazán, Sucre, Martí e o Che". Aliás, Zelaya emprazou o neoliberalismo a rectificar os seus pasos e a abandoar "a idea dos golpes de estado militares" en aras da democracia e a paz en América Latina. Así mesmo, as principais cabeceiras do país --pertencentes na súa maioría a grupos mediáticos opositores-- recolleron nas portadas de hoxe a vitoria de Hugo Chávez --que gobernará por un mandato de seis anos. Asemade, salientaron a elevada participación cidadá nos comicios. |
NOS_8316 | A Xunta propón crear en Ferrolterra unha zona franca, a segunda da Galiza, para relanzar a economía da comarca e diluír a súa responsabilidade na situación actual | A Xunta rescata a idea de crear unha segunda zona franca na Galiza. Faino en forma de promesa, como xa fixera Alberto Núñez Feixoo, presidente do Goberno galego, nas municipais de 2019, e novamente con Ferrol como firme candidato do Executivo. Con todo, a creación dunha zona franca depende do Executivo español, que é quen ten a competencia nesta materia. Sabedor desta circunstancia, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, aproveitou a reunión que mantivo esta terza feira con alcaldes da comarca de Ferrolterra para amosar "a súa máxima colaboración" na consecución deste obxectivo que, como indicou, suporía tamén a inclusión do seu porto na rede transeuropea de transportes. A zona franca permitiría a Ferrol incrementar o seu atractivo no comercio exterior, un ámbito no que está a experimentar un forte crecemento da man das novas liñas de contedores a Caneliñas. Esta figura permite operar con mercadorías como se estivesen fóra do territorio aduaneiro e, polo tanto, evitando restricións ao comercio, aranceis e gravames nacionais como o IVE e os impostos especiais. A idea da Xunta é incluír esta petición á súa proposta de Pacto de Estado para buscar solucións á crise industrial, laboral e social que vive a comarca de Ferrolterra, unha folla de ruta na que o Executivo galego marca os proxectos estratéxicos que, ao seu xuízo, debería impulsar o Goberno español, no que se escuda para tratar de ocultar a súa falla de previsión e de proxecto industrial para esta comarca. A Coruña tamén a quere Coa súa proposta, a Xunta deixa de lado as aspiracións da Coruña, que xa conta no seu porto cun depósito franco de 4.000 metros cadrados, de abandeirar a segunda zona franca da Galiza. A proposta tamén xurdiu en 2019 e fora moi ben acollida polas distintas administracións. Ao seu favor, ao contrario que en Ferrol, onde o porto exterior de Caneliñas non dispón de moito espazo, xoga o feito de ter unha gran bolsa de terreo dispoñíbel, tanto en Punta Langosteira como nos polígonos de Morás (Arteixo) ─o maior da Galiza─ e o de Vío (A Coruña), ambos os dous aínda por desenvolver. Tamén cabe a posibilidade de que ambos os territorios aposten por crear unha zona franca conxunta, retomando a idea lanzada no seu día polo catedrático de Economía da UDC e ex presidente da Xunta, Fernando González Laxe, de camiñar cara a unha integración de ambos os portos, dada a súa complementariedade en tráficos. Argumentos para que o Ministerio de Facenda acceda a esta petición non faltan. Na actualidade hai sete zonas francas en todo o Estado español, unha delas en Vigo. Galiza sería o terceiro territorio en contar con dúas zonas francas despois das Canarias (Gran Canaria e Tenerife) e Andalucía (Cádiz e Sevilla). O Arco Ártabro, zona que comprende os territorios entre A Coruña e Ferrol, é o principal motor económico da Galiza, con máis da metade da facturación das empresas galegas. Ademais, cando se lanzou a proposta, era un dos catro territorios máis exportadores, xunto con Barcelona e o sur da Galiza, que xa contan coas súas respectivas zonas francas, e Valencia, que renunciou a ela no seu día por considerar o proxecto "inviábel". Empresas beneficiadas A proposta de creación dunha zona franca en Ferrolterra vai aparellada a outros plans da Xunta para a comarca, como o da creación dun polo enerxético liderado por grandes firmas como Endesa, ligado á produción de biocombustíbeis; Reganosa, consolidando a presenza do gas natural licuado (GNL) na ría; a xeración de hidróxeno verde ou a potenciación da eólica mariña. Todas elas, xunto con Forestal Atlántico, empresa do Grupo Tojeiro (Gadisa), socia da Xunta en Reganosa, serían algunhas das grandes beneficiadas no caso de prosperar a idea. Dáse a circunstancia de que moitos destes proxectos dependen do reparto dos fondos europeos Next Generation por parte do Goberno estatal, que no caso da Galiza se xestionarán a través dun ente público-privado no que están representadas a Xunta, Abanca e a propia Reganosa. |
NOS_56945 | O comité de empresa anuncia que a segunda feira día 9 retomarán a loita en resposta "ao mutismo e ao deixamento da Xunta á hora de esixirlle á empresa un plan de viabilidade". | A representación social proporá este novo calendario de protestas nas asembleas de traballadores e traballadoras convocadas para o mércores 4 de setembro nas fábricas de Cee e Dumbría. O comité lembra que este plan de viabilidade non é só de obrigada elaboración, senón que mesmo o presidente do Goberno galego asegurou en comparecencia parlamentaria que lle reclamaría este proxecto a Ferroatlántica, procédese ou non á venda do complexo industrial e enerxético. "Apelamos á responsabilidade da Xunta, como titular das concesións públicas que explota Ferroatlántica, para que se reúna co comité, faga valer as cláusulas concesionais e obrigue a empresa a cumprir coa legalidade", indican os traballadores nun comunicado emitido ás sete da tarde desta segunda feira. |
PRAZA_20885 | Galicia rexistrou o maior número de ingresados positivos desde o 22 de abril. A taxa de positividade media no país a sete días supera por primera vez o 10%. | O impacto da terceira onda do coronavirus bate xa con forza nos hospitais galegos. A explosión de contaxios durante as festas de Nadal agroma agora con todas as súas consecuencias, con novas cifras récords e a curva de novos casos, incidencia ou positividade ergueita sen freo e sen remisión, polo menos a curto prazo. A hospitalización en Galicia supera xa o pico do outono, co maior número de ingresados positivos desde o 22 de abrilSe neste pasado sábado os pésimos datos da COVID eran aminorados un chisco pola estabilidade na presión hospitalaria, os deste domingo non traen nin ese respiro. Todo o contrario. A hospitalización en Galicia supera xa o pico do outono, co maior número de persoas hospitalizadas con test positivo de coronavirus desde o pasado 22 de abril.O incremento da hospitalización en 24 horas, con 58 persoas máis, é o maior desde o pasado 3 de abril, cando aumentara en 62 persoas. A presión nos centros sanitarios é cada vez maior, con 234 doentes ingresados por coronavirus máis que hai unha semana. O incremento da hospitalización en 24 horas, con 58 persoas máis, é o maior desde o pasado 3 de abrilO número total de hospitalizados coa doenza queda en Galicia nos 655, case un cento deles en unidades de coidados intensivos (UCI), segundo os datos da Consellería de Sanidade recollidos ata as 18 horas do sábado, nunha xornada que volve situar o número de positivos diarios en máximos da pandemia: 1.244 novos casos comunicados entre as 18 horas do venres e a mesma do sábado, arredor dun cento menos que as cifras da xornada anterior (1.343). Ademais, o venres 15 de xaneiro sitúase xa como o día con maior número de diagnósticos por PCR, con 1.137.O estoupido de casos está a encher os hospitais, cunha presión que é especialmente alta nas tres áres sanitarias da provincia da Coruña. A área da Coruña é a que ten máis hospitalizados con COVID, con 173, 17 máis que na xornada anterior, mentres que Santiago supera xa o cento, ao que se achega tamén Ferrol logo de sumar sete pacientes máis. "As costuras do hospital están saltando desde a semana pasada", di Ignacio Ramil, internista do CHUAC, que pide á poboación que se "autoconfine"Na área de Vigo soben tamén os ingresos, ata 84 logo de 14 máis, mentres que en Ourense achégase a esas cifras tras asumir unha ducia máis de persoas afectadas polo coronavirus. En Pontevedra sumáronse na última xornada outros dous ingresados, ata os 68.Así, Ignacio Ramil, adxunto ao servizo de medicina interna do CHUAC e experto en enfermidades infecciosas, é claro. "As costuras do hospital están saltando desde a semana pasada, a ritmo de 20 ingresos de COVID diarios e cunha proxección futura que nos pon nos peores números --bastante pasados-- da pandemia", asegura. O doutor pide á cidadanía que, independentemente das restricións determinadas, leve a cabo "un autoconfinamento domiciliario semellante ao que houbo na fase cero", aínda que con "algunha medida de alivio pero pouco máis". "precisamos que a xente responda, non só polo noso ben, senón polo seu", remarca.Ademais, e por primeira vez durante a pandemia, hai máis de 11.000 persoas "positivos activos" en seguimento nos seus lugares de residencia. A masiva detección de casos vén influenciada polo elevado número de PCR realizadas, con 9.509 en 24 horas na última xornada, situándose así a media diaria a sete días nun máximo absoluto. A taxa de positividade media en Galicia a sete días supera por primera vez o 10%No entanto, e malia realizarse tantas probas e cribados masivos, a taxa de positividade non deixa de medrar, un dos datos que mellor indican o impacto desta terceira onda da COVID e os efectos das celebracións de Nadal. Así, a positividade media en Galicia a sete días supera por primera vez o 10%, máis do dobre do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) considera o limiar para ter controlada a pandemia. A porcentaxe é aínda peor nas áreas sanitarias da Coruña, Santiago e Pontevedra, que superan a media galega.A detección de casos non se detén e Galicia acumula xa 76.254 casos rexistrados de COVID desde o inicio da pandemia, dos que se curaron 62.251 persoas, 398 delas nas últimas 24 horas.En canto ao número de falecidos, supera xa os 1.500, ata alcanzar os 1.503, logo de que o Sergas comunicase catro novas vítimas mortais na pasada noite.A incidencia acumulada a 14 días continúa a aumentar en Galicia e faino máis rápido que no outono; supera xa os 400 casos por cada 100.000 habitantesXa que logo, a incidencia acumulada (IA) a 14 días continúa a aumentar en Galicia e faino máis rápido que no outono. Supera xa os 400 casos por cada 100.000 habitantes, unha cifra que aínda é maior nas áres sanitarias da Coruña, Ourense e Pontevedra.Por cidades, Ourense xa supera a Compostela como a urbe con máis incidencia acumulada, superando os 500 casos por 100.000 habitantes, unha cifra da que tampouco está lonxe A Coruña e á que se achega tamén Ferrol. Por baixo da media galega están aínda Vigo, Pontevedra e Lugo. A capital lucense mantense en cifras estables desde hai semanas, con 138 casos por 100.000 habitantes a 14 días. De reparar no mapa conxunto de Galicia, xa só hai 36 concellos sen casos novos de coronavirus nos últimos 14 días. Antes do Nadal esta cifra elevábase a máis de 80 e a principios de decembro superaba o cento.Ademais, os casos nas residencias continúan tamén en aumento logo de detectarse un brote no centro Quercus de Leiro, na provincia de Ourense. Son xa un total de 350 as persoas usuarias destas instalacións afectados polo coronavirus. |
NOS_35060 | Igual que acontecera o ano pasado co persoal sanitario que desfrutara en 2020 do bono turístico, este ano son moitas as persoas que están obrigadas a recoller nas súas declaracións da Renda os importes dos bonos da Xunta, Concellos e Deputacións dos que se beneficiaron en 2021. | O pasado 6 de abril arrincou oficialmente a campaña da Renda 2021. Desde entón, foron moitas as persoas que presentaron a declaración ou confirmaron o seu borrador a través de internet. A partir desta semana, concretamente desde a quinta feira, 5 de maio, a Axencia Tributaria habilita un novo sistema de presentación, a vía telefónica, mentres que para a atención presencial nas oficinas haberá que agardar até o día 1 de xuño. A crise da Covid motivou situacións que até o de agora as persoas contribuíntes non contemplaban. Por exemplo, os Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE), que obrigan en moitos dos casos a presentar a declaración a persoas que até o de agora non estaba obrigada. Nalgúns casos son os borradores os que desvelan información que a persoa contribuínte descoñecía. É o que está a pasar cos importes correspondentes ás axudas dos bonos turísticos e de comercio promovidos polas distintas Administracións o pasado ano co gallo de impulsar a actividade nestes sectores, moi castigados polas restricións da Covid. Compras, viaxes e cultura Ante a tardanza da Xunta en artellar medidas de contención, Concellos como os da Coruña, Vilagarcía e Cangas foron dos primeiros en habilitar este tipo de bonos para compras no comercio local xa en 2020, que mesmo estenderon até o exercicio 2021. Os concellos saen ao rescate do comercio ante a falla de axudas directas da Xunta O Executivo galego lanzaría despois o Bono Activa Comercio, un programa que rematou o pasado 31 de outubro e que, segundo a Xunta, logrou mobilizar 27 millóns de euros, cun total de 237.398 bonos descargados. Xunto a este, o Executivo galego promoveu os bonos Cultura e os bonos turísticos, do que precisamente onte rematou o prazo para solicitar o de 2022. Declaración obrigatoria A sorpresa, para moitas persoas, é que estas axudas hai que recollelas na Renda ─aparezan ou non no borrador─ como ganancia patrimonial, un feito que condiciona ás persoas con ingresos por rendemento de traballo inferiores a 22.000 euros anuais, que por esta circunstancia veranse na obriga de presentar a declaración cando até o de agora non estaban obrigadas, e tamén ás que estes importes lles supoñan un salto nos tramos impositivos. A plataforma dos bonos activa comercio prescinde do galego O importe a declarar será o que o contribuínte recibise das Administracións, e debe incluírse no epígrafe 0304 da declaración, igual que o que acontece con outras axudas públicas, como as do plan Moves para a adquisición de vehículos eficientes, ou, no caso de empresas e persoas autónomas, os importes das axudas para o mantemento da súa actividade. Aínda que se trate de importes pequenos, a Axencia Tributaria pode declarar que persoas contribuíntes non están ao corrente das súas obrigas fiscais, o que pode condicionar outros trámites administrativos. Ademais corrixir esta omisión fóra do prazo implica unha sanción de entre 70 e 100 euros. |
NOS_3971 | Dun deixarse fluír entre estilos e sonoridades nace 'Carreiro', o primeiro traballo de estudio de Peña. Un álbum diferente que se mergulla até os sons máis primitivos e orgánicos para ofrecer ao público uns arranxos case imposíbeis. Unha aposta das máis atrevidas que ten o amor como eixe vertebrador. | "Unha reencarnación, un renacemento [...], na paz, un xeito de espertar, o brillo dun momento, [...] un regato a relatar, aquí". Ao igual que no tema "Renacemento", Peña regresan ás táboas co seu primeiro traballo de estudio, Carreiro. Un debut que se define como unha revelación, non só termos de transcender o folkie, senón en relación á música contemporánea galega. Ofrecer unha música que se caracteriza pola aparente sinxeleza e a emotividade. Eis a personalidade que define o grupo Peña, un trío conformado por Toño Magariños (diola, Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate). As súas primeiras cancións déronas a coñecer en Fórmula (2020). Editado nunha tirada exclusiva en casete, este EP chegou composto por tres cancións -e outros tantos videoclips creados pola banda e as produtoras Rubén Domínguez (Prenom) e Montse Piñeiro. Agora, este mesmo ano a banda presentou o seu primeiro disco de longa duración, Carreiro, editado en vinilo e dixital polo selo Repetidor, ademais das tiradas en CD e casete. Desde o pop A raíz da experimentación coas tradicións do pop, o folk e a música electrónica, en Peña propoñen un proxecto diferente, un interesante abano de cancións que dá pistas da capacidade creativa do grupo. "Carreiro é o primeiro traballo discográfico que temos e, como adoita pasar na maioría dos primeiros lanzamentos, este disco presenta un compendio do que fixemos nos últimos cinco anos", conta para Nós Diario Toño Magariños. Segundo Magariños, non se trata dun traballo conceptual, pois "non tiñamos unha idea predefinida". "Somos un grupo de pop e non facemos discos de concepto" e, nese sentido, é unha colección. Porén, cando se reúnen os temas vese un resumo "desa evolución que fomos experimentando como grupo desde o inicio até a actualidade". E por iso lle chamaron Carreiro. A nivel de temática, como punto de encontro sitúan o amor. "Todo o que facemos está pasado por aí", conta. "Non é un disco de conflito, non é un disco agresivo", senón que xira ao redor dese concepto de amor. "As nosas cancións tamén son un tanto misteriosas", valora, "primeiro creámolas, despois teñen vida propia e logo hai que observalas desde fóra". Colaboracións En Carreiro circulan os tres compoñentes ao carón de diferentes colaboradores e colaboradoras como Pedro Fariñas (Caldo), Xavi Bértolo e David Santos (Cró!), Laura Iturralde, Montse Piñeiro, David Arroyos, Xavi Muñoz ou Iván Olmedo (Gancho Sanches). O disco naceu no confinamento, "nunha época confusa", un momento que aproveitaron para conectar "cos moitos colegas e amigas que nos podían axudar co disco", explica. Así, nese tempo deixáronse levar e realizaron unha produción "non necesariamente realista para un directo", un detalle que lles permitiu arriscar á hora de compor e fluír entre estilos e sonoridades diferentes. Deste modo, en Carreiro hai unha base primitiva, de folk, "non necesariamente galego", moi orgánica, sinxela, subliña. Unha base que se enriquece coa "formación clásica e contemporánea dos meus compañeiros" para conseguir ese carácter peculiar, de arranxos complexos e estilo sinxelo. Peña no Soa Bonaval A próxima actuación de Peña será no festival Soa Bonaval, organizado polo Museo do Pobo Galego, que se desenvolve desde hoxe e até este domingo, 24 de outubro. Un encontro que pretende "desmitificar os xéneros e as etiquetas, e contar con artistas que traballan sobre os sons clásicos e de raíz, o local, a cultura e a lingua propias, compondo músicas plenamente actuais", indican desde o Museo. Para Toño Magariños, esta é unha oportunidade "moi interesante porque non se separa o tradicional do moderno e hai unha especie de brazos abertos ás novas sonoridades". "Estamos encantados de ir alí, o Museo do Pobo Galego é unha institución que respecto moito e para nós é un afago". Neste encontro, tal e como adiantan para Nós, presentarán cancións novas, arranxos especiais... "Será unha proposta diferente". |
NOS_30584 | Cada 17 de agosto Galiza lembra @s represaliad@s polo fascismo. Un anaco da nosa historia moitas veces descoñecido e outras tantas deturpado. No número 61 do Sermos Galiza achegámonos á memoria da Galiza Mártir hoxe | Que sabemos do acontecido? Que se fixo e que fica por facer no coñecemento e recoñecemento da resistencia antifranquista? Até que punto se logrou eliminar a simboloxía desde réxime infausto e a exaltación da "memoria dos vencedores"? Para que lembrar logo de tanto tempo? Esas son algunhas das preguntas que nos/vos facemos neste novo número do noso caderno de análise semanal. Con motivo do Día da Galiza Mártir, o profesor Xoán Carlos Garrido e o historiador Dionisio Pereira preséntannos un monográfico arredor da memoria. A través de cinco artigos que se debruzan arredor dalgúns dos preconceitos máis arraigados no noso país --como a crenza de que na Galiza non houbo un movemento de resistencia ao fascismo-- aproximámonos á nosa memoria histórica desde múltiples perspectivas e disciplinas. Acompañad@s por María Ruido, artista visual, investigadora e produtora cultural ollamos como a través de proxectos (audio)visuais tamén pode ser (re)construída a memoria recente da Galiza e do Estado español mais non baseándose só nos rexistros oficiais senón botando man daquelas "outras imaxes", asegura Ruido, que decote son borradas ou silenciadas. Entrevistamos ao escritor e historiador arxentino Oswaldo Bayer Con Oswaldo Bayes, anarquista escritor, historiador e xornalisa arxentina, conversamos sobre a súa traxectoria na loita a prol dos dereitos humanos e o coñecemento. Nunha extensa entrevista abordamos con el algunhas das súas obras e anacos da historia do seu país. Asemade, da man de Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea facemos balance do proxecto Nomes, Voces e Lugares. Unha iniciativa botada a andar en parcería pola Consellaría de Cultura do bipartito e as tres universidades. Nomes e Voces --galardoado este ano co VIII do Día da Galiza Mártir pola súa contribución á recuperación da memoria-- foi afogado pola Xunta de Núñez Feijóo que o deixou sen financiamento desde 2009. |
NOS_36710 | A defensa dun marco galego de relacións laborais sobordou o marco das voces que tradicionalmente o demandaron e defenderon (o nacionalismo) para sumar tamén outros actores políticos e sindicais que ven na garantía da prevalencia dos convenios negociados e asinados aquí sobre os estatais unha porta aberta á mellora das condicións das traballadoras e traballadores. Eis un extracto da información publicada ao respeito no Sermos Galiza 277. | "Traballar e producir aquí, decidir aquí". Unha sentenza que xa é realidade en certos territorios, como Euskadi, e que tamén se loita por implantar en Galiza. A defensa dun marco galego de relacións laborais foi tradicionalmente unha reivindicación e demanda do nacionalismo mais na actualidade tamén é partillada por actores e axentes sindicais á marxe do soberanismo. Así, e este mesmo verán, o novo secretario xeral de CCOO en Galiza trasladaba a CIG e UXT unha proposta de unidade sindical na que figuraba como un dos puntos o marco galego de relacións laborais. Sen ser para tirar foguetes, como recoñecía nunha conversa informal un dirixente da CIG, haberá que ver en que se concreta na realidade. Mais hai moito que avanzar. Moito. Porén, non é esta unha reivindicación imposíbel. Para nada. En xaneiro de 2017 a patronal vaca (Confebask) e os sindicatos ELA, LAB, CCOO e UXT asinaban un acordo polo que se garante que os convenios que se negocien en Euskadi, quer sectoriais, quer provinciais ou autonómicos; sempre van ter prevalencia sobre os estatais. Eis a proposta que defenden desde o sindicalismo nacionalista, que se garanta a prioridade dos convenios asinados en Galiza sobre os estatais. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 277 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais] |
NOS_6283 | A Consellaría do Mar aínda mantén fechado o polígono de bateas coñecido como Ribeira B. Esta decisión responde a unha estratexia preventiva mentres se investiga a afección da vertedura e a súa orixe. | A subdelegación do Goberno do Estado español en Pontevedra da por controlada a expansión da vertedura de fuel que onte foi detectada na ría de Arousa, entre Ribeira e a illa da Rúa. A principal responsábel desta institución, Maica Larriba, mantivo unha reunión con Capitanía Marítima de Vilagarcía, a demarcación de Costas, a Garda Civil e Protección Civil para coñecer a situación actual da contaminación. Larriba incidiu en que no lugar seguen a traballar catro embarcacións. Tres delas son patrulleiras dos Gardacostas e Salvamento Marítimo mantén alí o remolcador Don Inda. As tripulacións destes barcos están a actuar con barreiras anticontaminación para reducir o terreo ao que afecta o fuel. De feito, este combustíbel é recollido con sistemas de aspiración e elementos absorbentes. A subdelegada concretou que tamén se actuou preto da Illa de Ons, onde había "unha mancha máis diluída e de escaso impacto". En paralelo a estas actuacións, Capitanía Marítima e o Seprona seguen a investigar onde se orixinou este episodio de contaminación. Fálase até de que "a vertedura puido chegar desde terra". Medidas de prevención Neste contexto, as autoridades prefiren manter activo o Plan Marítimo Nacional ante a contaminación mariña, que está en fase de emerxencia 1. Onte mesmo se estudou pór en marcha outro plan Ribeira para loitar contra o achegamento dos hidrocarburos ao litoral. Ademais, a Xunta decidiu manter fechado o polígono de bateas Ribeira B. "Trátase dun feche preventivo xa que a mancha en ningún momento chegoulle a afectar", puntualizan desde a Consellaría do Mar. Hoxe foi un día no que a frota faenou con normalidade, agás na zona afectada. |
NOS_26906 | O arqueólogo e profesor da Universidade de Oviedo Diego Piay -cunha tese sobre o priscilianismo- repara en que un dos elementos máis sorprendentes do poboado da Guarda é o que poderíamos denominar a "economía da auga". Unha nova entrega do coleccionábel 'Confín dos verdes castros e valeroso clan!'. | O castro de Santa Trega, como dis no teu traballo, é un dos máis coñecidos da Galiza. Aínda ten secretos que poden saír á luz pública con novas escavacións? Os achádegos que teoría poderían confirmar ou desbotar? É realmente Santa Trega un castro "cabeceira" en relación a outros nas beiras do Miño ou non hai probas que confirmen nin desmintan esta hipótese? Tendo en conta a porcentaxe escavada do xacemento en relación a área sen escrutar, é seguro que o Trega agocha aínda moitos datos de interese. Cada unha das campañas realizadas supuxo o descubrimento de novos datos, e tamén de novas preguntas, pero o coñecemento amplíase con cada intervención. Se podo expresar a miña opinión, creo que un dos datos mais interesantes que pode revelar ten que ver coa ocupación do xacemento. Cando falamos do seu abandono no século IdC… Pode falarse do abandono xeral de todo o conxunto? Ou soamente dalgunhas zonas? Outra cuestión interesante sería localizar o núcleo orixinal do xacemento e descubrir a que época corresponde a ocupación más antiga. Se falamos xa do proceso de integración do noroeste da península no imperio romano, estou convencido de que o de Trega agocha informacións que poderían completar ou modificar os datos que coñecemos sobre a incorporación do territorio da Galiza actual a Roma. "Os restos do Trega non son importantes unicamente pola súa monumentalidade, o seu valor artístico ou arquitectónico. Son testemuñas mudas dun pasado que forma parte de nós, habitantes actuais deste territorio" A importancia deste asentamento en relación ao intercambio comercial co Mediterráneo parece evidente, mais, había relacións directas entre estes castros e os da súa contorna xeográfica? E en relación a outros máis alonxados (fóra da cunca do Miño e que non foran costeiros)? As relacións entre castros existiron, aínda que non sempre son sinxelas de rastrexar. Temos que ter en conta que un dos poucos medios para percibir os contactos son os restos da cultura material. Estes xacementos non deixaron testemuñas escritas, polo que a única forma de percibir os contactos é o emprego das mesmas tecnoloxías, a aparición de similares modelos decorativos nos recipientes cerámicos, as técnicas empregadas nas construcións, a morfoloxía dos poboados… En base a estes criterios definíronse zonas dentro do noroeste nos que parecen existir similitudes que nos permiten falar de relacións ou contactos comerciais entre os poboados. Tamén se ten falado da xerarquía entre os xacementos, sendo posíbel que algúns deles tivesen unha posición preponderante sobre outros da mesma zona xeográfica. E despois, coma sempre, temos as testemuñas escritas. Gústame recordar o texto de Paulo Orosio, presbítero da igrexa de Braga, que no século V escribiu unha obra chamada "Historias". Nela recorda a coalición dun exército composto por 60.000 galaicos que se enfrontaron o exército romano de Décimo Junio Bruto no 137 aC. Aínda que se ten falado moito da veracidade ou non da cifra aportada por Orosio, creo que o mais importante do texto é valorar que non se trataba de asentamentos illados con respecto o seu entorno, se non que existían fortes lazos entre eles. Como se debe vincular a dimensión turística que innegabelmente ten o asentamento con que a poboación coñeza e valore a rica historia que hai detrás das casas de pedra que se observan a simple vista? A terceira pregunta reflexa unha das cuestións máis problemáticas en relación coa protección dos xacementos arqueolóxicos. Na miña opinión os restos do Trega non son importantes unicamente pola súa monumentalidade, o seu valor artístico ou arquitectónico. Son testemuñas mudas dun pasado que forma parte de nós, habitantes actuais deste territorio. Non se trata soamente de aproveitar simplemente a riqueza estética dun lugar mol fermoso. É fundamental ligar o físico co espiritual, a pedra coa historia, o Trega coa Galiza actual. Para conseguir iso é necesario reconstruír a historia do lugar a partir dos achados arqueolóxicos e do seu estudo. E antóllase fundamental escribir sobre estes xacementos en ámbitos científicos e non científicos, pois non debemos esquecer que o único que quedará no futuro serán as palabras escritas, as investigacións plasmadas en libros. É por iso que aplaudo a iniciativa deste xornal, que pretende valorizar o noso pasado a través da publicación de datos contrastados sobre algún dos principais castros coñecidos en Galiza. Subscríbete As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos. |
NOS_10829 | O número de vítimas mortais é de 551. | A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, presentada esta quinta feira, o número de casos activos de coronavirus na Galiza ascende a 3.486. É a cifra que dá o novo baremo empregado pola Xunta para o cómputo da COVID-19. Destes casos activos, 820 son da área da Coruña, 241 da de Lugo, 707 da de Ourense, 214 da de Pontevedra, 848 da área de Vigo, 498 da de Santiago, e 158 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 47 permanecen en UCI, unha cifra que continúa a baixar, 334 están en unidades de hospitalización e 3.105 no domicilio. Polo de agora, na Galiza hai un total de 5.573 persoas curadas, rexistrándose 551 falecementos. O número de PCR realizadas é de 96.095 O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais da Galiza supoñen 3,1% do total das persoas residentes. En relación ás residencias hai 1.077 persoas contaxiadas, das que 762 son usuarias e 315 traballadores e traballadoras. O número de falecementos por COVID-19 nas residencias é 249. |
PRAZA_6081 | Ninguén ten porque renunciar a nada, non se trata de prescindir dos proxectos de cada grupo ou de fundirse nunha mesma organización. Tampouco se trata de partir de cero, a historia tamén é unha aprendizaxe que debemos ter presente. Trátase de confluír cada quen desde a diversidade, onde se dean a man activistas sociais e políticos xunto a unha infinidade de cidadáns e cidadás que queren mudar a realidade. | Vivimos tempos moi duros, nos que boa parte da sociedade o esta pasando realmente mal, e a dereita gobernante non só permanece insensible senón que afonda nas políticas de empobrecemento masivo, aumento das desigualdades e perda dos dereitos máis básicos. Pero tamén vivimos momentos de esperanza, o PP e o bipartidismo están nas súas horas máis baixas, estase abrindo un tempo no que se albisca tanto a derrota da dereita como a posible vitoria de alternativas transformadoras. Por moitos lugares comezan a xurdir voces que falan de buscar o encontro plural da esquerda e o nacionalismo. As últimas eleccións foron mostrando as ansias de transformación profunda, para mudar de raíz as políticas e a forma de gobernar. Para lograr estas mudanzas hai que cambiar o sistema político dende os seus alicerces e levará tempo. O mesmo ten que os pasos que deamos sexan pequenos ou zancadas o que realmente importa é que sexan pasos firmes. A iniciativa de Guanyem Barcelona mostra un camiño interesante, un espazo plural que busca integrar xente de diversos partidos, dos movementos da sociedade civil, e que prima o encontro entre iguais sen primacía das cúpulas partidarias Os concellos serán o primeiro paso e a iniciativa de Guanyem Barcelona mostra un camiño interesante, un espazo plural que busca integrar xente de diversos partidos, dos movementos da sociedade civil, e que prima o encontro entre iguais sen primacía das cúpulas partidarias, e no que a cidadanía de xeito aberto referende o proxecto. A cidadanía reclama un papel activo, un protagonismo que debe comezar na forma de facer oposición e de construír as alternativas. Estas propostas xorden coa ambición de ser maioría, non pensar en ser un apoio a un goberno encabezado por outros/as, compre atreverse a ofrecer unha alternativa de goberno que sexa realmente alternativa. En Ames, e en outros moitos concellos, o obxectivo xa non é só gobernar, o obxectivo é chegar a ser a primeira forza municipal de cara a mudanza de sistema. Derrotar social e electoralmente ao PP e ao bipartidismo, imos precisar moita forza cidadá para vencer as resistencias ao cambio. Xogámonos moito, o PP leva tempo desenvolvendo toda unha estratexia regresiva para afogar os concellos e reducir as posibilidades de decidir da cidadanía. Os concellos teñen a cada paso menos competencias e menos recursos económicos. É importante que sexamos conscientes da limitación imposta pola normativa vixente, e que serán moitas as dificultades no camiño da transformación real. E eu estou convencida que o ámbito municipal é clave para as políticas de benestar e de proximidade, de desenvolvemento real, e tamén para a implicación cidadá nunha auténtica democracia participativa. Política local para as persoas. Xogámonos moito, o PP leva tempo desenvolvendo toda unha estratexia regresiva para afogar os concellos e reducir as posibilidades de decidir da cidadanía Ames Novo, iniciativa cidadá é un proxecto impulsado hai un par de anos no que procuramos desde o comezo integrar a pluralidade da esquerda e do nacionalismo e facer política desde a cidadanía. Conxugamos ao mesmo tempo a firmeza contra as políticas do PP, con acción social e institucional para impedir os recortes, e a construción dunha alternativa contando coa implicación aberta da sociedade. En marzo deste ano decidimos lanzar unha proposta de primarias abertas á cidadanía, presentarnos ás eleccións como agrupación de electores, e elaborar o programa de xeito participativo contando co tecido social e toda a xente que queira achegar ideas. Decidimos convidar de forma expresa a todas as forzas transformadoras que operan politicamente en Ames, en concreto: Anova, Esquerda Unida, Espazo Ecosocialista, Compromiso por Galicia, Equo, Podemos e Bloque Nacionalista Galego Agora, despois das eleccións europeas, decidimos convidar de forma expresa a todas as forzas transformadoras que operan politicamente en Ames, en concreto: Anova, Esquerda Unida, Espazo Ecosocialista, Compromiso por Galicia, Equo, Podemos e Bloque Nacionalista Galego. Sabemos que isto é difícil para as organizacións políticas, algunhas entenden que perden protagonismo, que se trata de procesos incontrolables e que os intereses dos "outros" partidos van viciar os acordos. Ademais temos un pasado recente de desencontros que fai difícil convivir e compartir unha proposta, e sempre vai haber quen pense que perde máis do que gaña. A nova cultura política está afogada pola vella. Tal e como eu o vexo precisamos moita xenerosidade e ambición. Ninguén ten porque renunciar a nada, non se trata de prescindir dos proxectos de cada grupo ou de fundirse nunha mesma organización. Tampouco se trata de partir de cero, a historia tamén é unha aprendizaxe que debemos ter presente. Trátase de confluír cada quen desde a diversidade, onde se dean a man activistas sociais e políticos xunto a unha infinidade de cidadáns e cidadás que queren mudar a realidade. Trátase de confluír cada quen desde a diversidade, onde se dean a man activistas sociais e políticos xunto a unha infinidade de cidadáns e cidadás que queren mudar a realidade Debemos estar a altura das circunstancias, ser capaces de idear propostas novas para tempos novos. Precisamos a cooperación da cidadanía con vontade transformadora sen exclusións. Nós imos a por todas, saímos a gañar porque sentimos o apoio da xente, pero queremos que sexa un proceso moi amplo, no que caibamos moitos e moitas. Non será xa o proceso de Ames Novo, senón de todas as persoas que participemos. A participación cidadá no proceso será quen lle dea lexitimidade e credibilidade á iniciativa. Hoxe estamos en condicións de levantar alternativas plurais de confluencia das esquerdas e os nacionalismos que poden vencer e abrir as institucións locais á cidadanía. Eu participei no movemento estudantil dos 80 cando a esquerda se uniu de forma aberta e por primeira vez tivemos representación. Non volvamos frustrar as expectativas dunha sociedade que pide cambios de verdade, primeiro na oferta das alternativas políticas e logo nos gobernos. Aquí non vive Ada Colau, vive outra moita xente con grandes ideas, capacidades e presencia social. Temos unha responsabilidade ante a sociedade e aínda podemos gañar o futuro, precisamos espazos de encontro que mobilicen o entusiasmo. Podemos facelo en moitos planos, comecemos polo próximo. Non volvamos frustrar as expectativas dunha sociedade que pide cambios de verdade, primeiro na oferta das alternativas políticas e logo nos gobernos De entrada xa te convido a unha festa, un lugar onde encontrarnos toda a xente que queremos labrar ese futuro en común, con música, debate, política, activismo, xantar e xogos para todas as idades. Temos a 1ª Romaría de Ames Novo o sábado 19 de xullo a partir da unha do mediodía no Parque do Ameneiral en Bertamiráns, unha boa oportunidade para divertirse, participar en interesantes actividades e atoparse con xente diversa nun lugar agradable. Estou convencida de que o futuro se gaña con esperanza e alegría. |
PRAZA_20917 | Os tres sindicatos denuncian a "situación de emerxencia social e económica" nas comarcas pola "progresiva desindustrialización , destrución de emprego e falta de futuro". | CIG, CCOO e UGT denuncian a "emerxencia social e económica" pola "progresiva desindustrialización , destrución de emprego e falta de futuro"Os sindicatos CIG, CCOO e UGT convocan unha xornada de folga xeral nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal para o vindeiro xoves 25 de febreiro, á que chaman a secundar "a toda a clase traballadora e toda a cidadanía da bisbarra". As centrais xustifican o paro pola "situación de emerxencia social e económica" da zona logo de confirmarse nos últimos días o peche definitivo de Endesa nas Pontes ou de Siemens-Gamesa nas Somozas. "Son os propios acontecementos os que nos levan a esta convocatoria, acontecementos dos que viñamos alertando, e mesmo denunciando, a través de mobilizacións como a cadea humana realizada o pasado 17 de decembro", explican dende as tres centrais sindicais.CIG, CCOO e UGT advirten da "progresiva desindustrialización e destrución de emprego, o incremento das exclusión e a falta de proxectos de futuro", que son "un feito palpábel". "Endesa sen alternativa, Gamesa pechada na práctica, o naval sen carga de traballo, o peche continuo de empresas e negocios... Coa conseguinte perda de postos de traballo e recursos económicos e sociais", lembran.Os tres sindicatos piden "solucións urxentes" que, lembran, "están nas mans da Xunta e do Goberno español"Os sindicatos piden "solucións urxentes" que, din, "existen e ademais están máis que discutidas e plasmadas en centos de documentos". "Está nas mans do Goberno galego e do Goberno español poñer en marcha de inmediato esas solucións que dependen da vontade política", reclaman. "Esa é a nosa esixencia, non caben máis demoras, non caben máis debates estériles, só cabe actuar, e iso é o que demandamos, carga de traballo para o naval, unha transición ecolóxica xusta sen perda de postos de traballo, proxectos de enerxías renovábeis que leven acompañados proxectos industriais, infraestruturas que nos deben dende hai décadas ou investimentos que atarían proxectos industriais", din. "Non estamos dispostos a asumir que as nosas comarcas morran por inanición, non sen pelexalo", rematan. |
NOS_22573 | De cara ás eleccións xerais, o líder de Podemos, Pablo Iglesias, aposta en "traballar entendendo que cada territorio ten unas particularidades propias". | Ao inicio do Consello Cidadán Estatal que está a ter lugar en Madrid, Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, sinalou en declaracións aos medios que a formación está a traballar "entendendo que cada territorio ten particularidades propias". Neste sentido, afirmou que o seu partido desenvolve unha folla de ruta que posibilidade o "encontro" con outros sectores sociais e políticos de cara a preparar as candidaturas para as eleccións xerais. Nesta liña, Pablo Iglesias puxo de manifesto que "pode haber comunidades autónomas ou provincias onde espazos unitarios a través de primarias abertas poidan relacionarse con nós". Apuntou que Podemos será "moi coidadoso e prudente" co fin de que "haxa moito sectores que poidan acompañarnos para construír xuntos o camiño que todos queremos". Ao PSOE non lle preocupa unha Marea Galega Pola outra banda, no transcurso dunha entrevista publicada por Radio Galicia-Cadena Ser, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González (PSOE) sinalou, en relación á posibilidade de que se presente unha candidatura de unidade popular de cara ás eleccións galegas, que "se hai unha Marea será para aplaudir e non para preocuparse". "Vai depender de nós mesmos, é de admirar que a xente queira cambiar as cousas e no PSOE temos que traballar para volver ser queridos", apuntou. "Ser quen de recuperar esas forza vai depender de nós mesmos", engadiu. |
PRAZA_7066 | O que segue funcionando de marabilla para manter e reforzar o sistema son as categorías nas que encaixamos cada quen, as que aprenden as nosas nenas, as que nos seguen dividindo e constrinxindo nos nosos papeis. | A miña filla de 6 anos, como corresponde á súa idade, contrasta o que vive na súa casa coas nenas que coñece e logo me comenta como lle contan que viven nas casas das demais. Estas conversas fanme ver o esvaradío do terreo no que nos movemos cando educamos as nosas crianzas para desenvolverse como persoas autónomas e independentes no espazo privado. Non abondan os discursos, non chegan as leccións, aprenden sobre todo imitando o que ven, e ven bastante máis do que imaxinamos porque ven bastante máis do que vemos nós. A naturalización e automatización de determinados comportamentos fai que non só non reflexionemos sobre eles, sobre o seu sentido e o seu significado, senón que deixamos de velos, directamente. Pero as nosas crianzas veno todo e absorben como esponxas. Logo conversan, preguntan, mesmo discuten entre elas sacando a relucir os vimbios cos que organizamos a nosa sociedade e os roles que asignamos a homes e mulleres. Quedoume claro que para aquelas nenas as nais somos, entre outras cousas, as que facemos as cousas noxentas que non quere facer máis ninguén na casa, entre elas meter a man no váter Contábame a miña pequena que cando lles dixo ás súas amigas que fregara o baño na casa elas dixéronlle "que asco!" por meter a man no inodoro para fregalo e preguntáronlle que por que esa cousa tan noxenta non lla facía a súa nai. Quedoume claro que para aquelas nenas as nais somos, entre outras cousas, as que facemos as cousas noxentas que non quere facer máis ninguén na casa, entre elas meter a man no váter. No reparto das tarefas do fogar está moi claro como os roles de xénero seguen colocándonos ás mulleres, ás nais, ás coidadoras, no papel máis desvalorizado de todos os posibles. Non deixa de ser curioso que ocuparse da alimentación e da hixiene corporal e do contorno no que vives se considere unha ocupación desprezable, a min paréceme fundamental para a autonomía persoal, pero o certo é que seguen a ser tarefas consideradas desprezables, pesadas, noxentas das que se encargan as mulleres ocupándolles o tempo que poderían dedicar, como fan os homes, á realización persoal a través da carreira profesional, das afeccións culturais ou deportivas ou do simple lecer absolutamente improdutivo con outros conxéneres. Na inauguración de Conxemar había 24 persoas no escenario, 22 homes e 2 mulleres, por certo as dúas cargos públicos, por iso das cotas, pero ningunha empresaria Sería enganarnos pensar que esta situación do espazo privado non ten nada que ver coa situación no espazo público. Lembrei os últimos actos públicos de distinto tipo nos que participei e cal era a presenza das mulleres neles. A verdade é que o contraste foi brutal pero moi gráfico. Na inauguración de Conxemar había 24 persoas no escenario, 22 homes e 2 mulleres, por certo as dúas cargos públicos, por iso das cotas, pero ningunha empresaria. No acto de toma de posesión do reitor da Universidade de Vigo había na mesa 7 homes, sorprendente quizais nunha institución que, a priori, debería estar por riba da discriminación de xénero pois alí díxose primar o esforzo, o mérito, a capacidade, o talento e a innovación e non parece existir explicación algunha para que todo iso estea só presente na metade masculina da poboación, pero creo que me quedou algo máis claro cos agradecementos feitos polo reitor reelixido: "A familia sempre está aí perdoando todas as horas que os meus anhelos persoais lles rouban". Algo que podería dicir calquera home cun cargo de responsabilidade como o seu e seguro que calquera muller que chegase a ocupalo pero igual é precisamente iso o que explica que en España só o 8% das persoas que dirixen as universidades sexan mulleres, en Galiza os homes fan pleno, 3 de 3. As familias nin o resto da sociedade está aí para perdoarnos ás mulleres as horas que lles poderían roubar os nosos anhelos persoais. Para rematar pensei nunha concentración reivindicativa, a do persoal da concesionaria municipal dos servizos de limpeza. Aí si, aí si que si. Todas mulleres. Para limpar a nosa merda todas mulleres Para rematar pensei nunha concentración reivindicativa, a do persoal da concesionaria municipal dos servizos de limpeza, as persoas que limpan nos edificios municipais, no concello, nos coles dos nosos fillos e fillas... protestan porque a empresa, que cobra puntualmente do concello de Vigo polo contrato, non lles paga as súas nóminas, persoas que traballan en moitas ocasión dúas, tres ou catro horas diarias e cobran soldos moi baixos. Aí si, aí si que si. Todas mulleres. Para limpar a nosa merda todas mulleres. É un traballo moi digno, tan digno e tan pouco noxento como meter a man no váter para fregalo, algo que eu fago con frecuencia, pero non hai apenas homes que o fagan. Naquela concentración só vin un que, por certo e manda truco, falou con varios medios de comunicación. O nexo de unión entre o que pasa no espazo público e no espazo privado pareceume evidente. O que segue funcionando de marabilla para manter e reforzar o sistema son as categorías nas que encaixamos cada quen, as que aprenden as nosas nenas, as que nos seguen dividindo e constrinxindo nos nosos papeis. Nena, que queres ser de maior? Puta ou submisa? (Segundo datos da policía local de Vigo das 28 mulleres que incorporou ao seu programa de protección entre xullo e setembro deste ano a metade non fixera os 30 anos). |
NOS_12190 | O teatro Rosalía de Castro da Coruña será o espazo onde soen o xoves 23 ás 20.30 os poemas da autora da man do Sexteto Tempo Catro. Será a presentación do seu disco "Os ollos que falan" nun concerto organizado pola AS-PG. | Ás 20.30 do xoves 23 de xaneiro os versos de Rosalía de Castro sentiranse no teatro da Coruña que leva o nome da autora no concerto organizado pola AS-PG no que o Sexteto Tempo Catro ofrecerá para presentar o seu novo disco, "Os ollos que falan". Once poemas de Cantares Gallegos compoñen o último traballo de Tempo Catro, producido pola AS-PG, que visita unha Rosalía actual e viva, con enerxía e forza diante de temas emocionais e sociais. Ritmos de valse ou fado, salsa, xota, mazurca ou pasodobre para visitar poemas que se achegan á conciencia sobre Galiza ou ao amor e o desamor entre outros temas. Begoña Lorenzo pon a voz aos cantares de Rosalía que se senten acompañados do acordeón de Suso Iglesias, o piano de Andrés Pazos, o contrabaixo de Antonio Romero, o violín de Javi Cedrón ou a percusión de Pablo Salgueiro. O novo traballo de Tempo Catro naceu no marco da conmemoración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. A música é da autoría de Andrés Pazos e Suso Iglesias que botaron man dos máis variados ritmos para poñer son aos poemas de Rosalía. |
NOS_31752 | Coira é autor das premiadas '18 comidas' e 'Hierro' entre outras | A asemblea da Asociación Cultural Arela, que organiza o Festival de Cans, acordou conceder a distinción de Honra do certame o Premio Pedigree, ao director lucense Jorge Coira (Rábade, 1971). A organización do certamen considera a Jorge Coira como unha figura fundamental no desenvolvimento do audiovisual galego nos últimos vintecinco anos. Desde mediados dos anos 90, Coira desenvolveu unha intensa carreira, primeiro como curtametraxista, e posteriormente como guionista, montador, e director de series de televisión e longametraxes Coira recibirá o Can de Pedra e colocará a súa estrela no Torreiro das estrelas no marco do XVIII Festival de Cans, que terá lugar entre o 1 e o 4 de Setembro. Desde mediados dos anos 90, Coira desenvolveu unha intensa carreira, primeiro como curtametraxista, e posteriormente como guionista, montador, e director de series de televisión e longametraxes, na maior parte dos casos desenvolvendo uns códigos cinematográficos en clave galega. Desde que comezara hai 25 anos dirixindo unha curta emblemática como O Matachín, protagonizada por Luís Tosar, Coira continuou asinando longametraxes como a premiada 18 Comidas e, mais recentemente, Eroski Paraíso, que co-dirixiu xunto a Xesús Ron, ademais de dirixir a exitosa serie Hierro, que recibiu numerosos premios, entre eles o Premio Ondas á mellor serie de televisión. En paralelo, Jorge Coira desenvolveu unha reputada carreira como montador, que o levou a conseguir en 2016 o Premio Goya á mellor montaxe, polo filme El Desconocido, dirixido por Dani de la Torre. Segundo a organización, "o Festival de Cans quere recoñecer tamén con este premio a Jorge Coira, a súa traxectoria e implicación nas asociacións profesionais galegas, a través de entidades como a Academia Galega do Audiovisual ou CREA, a Asociación de Realizadoras e realizadores galegos, da que foi presidente e desde a que impulsou no seu día un acordo de colaboración co Festival de Cans." |
NOS_33286 | A Autoridade Portuaria de Ferrol pagou 22.166 euros a conselleiros que non asistían ás xuntanzas.Un informe de Intervención do Estado desvelado por El País sinalaría o presidente da Deputación coruñesa como un dos beneficiarios. El di que devolveu os cartos. | O Porto de Ferrol gastou case 76.000 euros en retribucións ao seu consello. Desa cantidade, e segundo a auditoría de Facenda citada polo diario El País, 22.166 foron para pagar "dietas por asistencia sen concorrencia efectiva". É dicir, que foron para conselleiros que non asistiron ás xuntanzas do organismo.O informe da Intervención Xeral do Estado que desvela El País destaca que un deses conselleiros percibiu 4.565 euros malia non acudir a ningunha das sesións realizadas no exercicio 2012. Non citan o nome, mais o diario sinala que é Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña e concelleiro en Ferrol. Calvo admitiu a El País que cobrara eses máis de 4.500 euros, mais asegura que os devolveu "por responsabilidade e para evitar suspicacias". Iso si, apuntou mesmo a que non tiña obriga de devolver ese diñeiro. Conselleira Cada Autoridade Portuaria (en Galiza hai cinco) ten liberdade para fixar as cuantías por asistencia a consellos. Fontes consultadas por El País sinalan que na de Ferrol anda por volta de 300 euros cada xuntanza. Polo Consello do Porto ferrolá tamén pasou a conselleira de Sanidade cando era xerente do Sergas. Estivo entre xuño de 2009 e marzo de 2012. Dos 20 consellos realizados, asistiu a cinco. |
PRAZA_1012 | E aí, nesa loita, é onde todos e todas debemos atoparnos. Polo pasado que nos trouxo ata aquí, polo presente que temos que moldear e polo futuro que, entre todos e todas, habemos construír. | O primeiro de maio foi historicamente un día de conmemoración e loita das persoas traballadoras ao longo e ancho do planeta: conmemoración do valor con que os chamados Mártires de Chicago reivindicaron a xornada laboral de oito horas e do terrible prezo que pagaron por ela, da loita polos dereitos desa mesma clase obreira, sempre ameazada polos poderes económicos e os intereses do capital que, nos últimos anos, intensificou as agresións a eses dereitos ata poñer en xaque a dignidade mesma da clase traballadora. Dende que no ano 2008 estalase a mal chamada crise económica, a resposta dos sucesivos gobernos de PSOE e PP seguiu unha única dirección: o recorte nos dereitos e liberdades conquistados, xustificándose sempre nunha abstracta necesidade de "gañar competitividade" ou nun basto insulto ao conxunto de traballadoras e traballadores, tal coma o "vivimos por enriba das nosas posibilidades", un mantra que calou nunha cidadanía en estado de shock que só recentemente comezou a decatarse de que foi sometida a un fastoso engano, a un xogo de trileiros entre dúas caras da mesma moeda e no que uns poucos gañaron moito a costa do saqueo e desangre da maioría. Non sorprenden, neste sentido, os "lapsus" da señora Cospedal. A posterior reforma do PP, xa no ano 2012, supuxo a finalización do camiño emprendido polo anterior goberno do PSOE no recorte dos dereitos laborais Sirvan como exemplo as reformas laborais impulsadas polos Partidos do Réxime: a do PSOE en 2010, que abriu a porta con medidas como o despedimento con 33 días de indemnización fronte aos 45 da normativa anterior, cargou ao FOGASA unha parte do custo dos despedimentos (nun vergonzoso exercicio de mentalidade curtopracista) ou abriu a porta á intermediación das empresas de traballo temporal (ETTs) ata na contratación pública. Esta reforma foi contestada cunha folga xeral, en xuño do mesmo ano, á que o Goberno fixo oídos xordos. A posterior reforma do PP, xa no ano 2012, supuxo a finalización do camiño emprendido polo anterior goberno do PSOE no recorte dos dereitos laborais: abaratou o despedimento improcedente, ampliou os supostos do despedimento obxectivo, eliminou a autorización administrativa para Elos, impulsou unha nova modalidade de contrato en condicións de semiescravitude e consagrou a primacía dos convenios de empresa sobre os colectivos, por citar só algúns dos seus apartados máis prexudiciais. Novamente, os traballadores e traballadoras foron á folga, esta vez en dúas ocasións, e novamente foron ignorados, cando non criminalizados. Chegou a hora de dicir basta É o momento de unirse, de deixar atrás as pequenas diferenzas que nos separan e centrarnos na acción conxunta, a única que verdadeiramente temen os que se cren donos e señores dos nosos destinos É o momento de plantar cara ao poder do capital, ese que se cre dono e señor de todos e cada un de nós, de saír á rúa e berrar alto e forte que non imos quedar cruzados de brazos mentres os poderes financeiros xogan co noso futuro e sacrifícannos como peóns nunha macabra partida de xadrez. É a hora de dicir que queremos traballar menos para que poidamos traballar todos e que iso non nos converte en seres preguiceiros, senón en seres solidarios. É o momento de unirse, de deixar atrás as pequenas diferenzas que nos separan e centrarnos na acción conxunta, a única que verdadeiramente temen os que se cren donos e señores dos nosos destinos. Teñen que entender, dunha forma ou doutra, que ningún traballador ou traballadora están sós, que todos e todas formamos parte do mesmo colectivo e que se tocan a un ou a unha tócannos a todos e todas. Que nos terán sempre en fronte para opoñernos á súa parasita ambición, porque as vidas e dignidades das persoas están, malia que lles pese a algúns, por enriba dos seus beneficios. É o momento tamén de que a loita polos dereitos laborais se estenda máis aló da fábrica ou da cadea de montaxe: debemos incorporar a reivindicación de que non é tolerable que exista unha nova clase social, o precariado, condenada para sempre a traballos mal pagos e con escasas ou nulas perspectivas de futuro, unha forma de traballo que acerna de raíz os proxectos vitais de moitos dos nosos mozos e das nosas mozas, que se ven forzadas ao exilio como única alternativa laboral máis ou menos digna. É o momento tamén de que a loita polos dereitos laborais se estenda máis aló da fábrica ou da cadea de montaxe: debemos incorporar a reivindicación de que non é tolerable que exista unha nova clase social, o precariado E é tamén, como non, o momento de reclamar a fin da discriminación salarial da muller, que xa dura demasiadas décadas, do recoñecemento de sectores coma o do traballo doméstico ou de coidados, xeralmente desempeñados por elas e invisibilizado e infravalorado constantemente porque -seica- non xera valor engadido; de achegarnos aos autónomos e pequenos empresarios, eses que sofren o indicible para chegar á fin do mes e, en ocasións, choran cando se ven abocados a despedir persoas que levan anos traballando nas súas empresas porque ninguén entra pola porta a comprar ou porque non hai pedidos. É o momento, en fin, de entender que as regras do xogo mutaron e que non se poden aplicar vellos remedios a novas agresións, que debemos transcender as receitas esgotadas da organización post fordista e prepararnos para enfrontar unha nova etapa na que os poderes económicos, os de arriba, serán máis agresivos que nunca á hora de defender esa parcela que consideran súa por dereito. E aí, nesa loita, é onde todos e todas debemos atoparnos E aí, nesa loita, é onde todos e todas debemos atoparnos. Polo pasado que nos trouxo ata aquí, polo presente que temos que moldear e polo futuro que, entre todos e todas, habemos construír. |
NOS_10580 | O último informe do Instituto Nacional de Silicose de Oviedo atribuía a Galiza o 39% dos casos detectados en todo o Estado no ano 2012, maioritariamente no sector da lousa e as canteiras de granito espalladas polas comarcas de Ourense e Pontevedra con tradición nestes oficios. Hoxe, a lexislación e as medidas de prevención son mellores que as de hai uns anos, mais aínda hai riscos nalgunhas actividades e persisten eivas en materia de seguridade social. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 249. | No último informe do Observatorio Galego de Condicións de Traballo, o seu autor, Manuel Gil Fernández, xefe do equipo técnico de Medicina Laboral do Centro do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral –ISSGA- de Pontevedra, define a silicose como "o paradigma das enfermidades producidas polo traballo". A inhalación prolongada da sílice –o maior compoñente da codia terrestre- foi ao longo do século XX, coa expansión da minaría, a causa da enfermidade de centos de traballadores galegos que desenvolvían a súa actividade sen protección de ningún tipo ou, no mellor dos casos, sen a protección axeitada. A mellora das condicións de traballo tanto nas minas como nunha actividade primordial en varias comarcas do país, as canteiras, supuxo un descenso considerábel no número de casos rexistrados, se ben, segundo o informe de Gil Fernández, as cifras "seguen a ser elevadas". Os últimos dados dispoñíbeis do Instituto Nacional de Silicose de Oviedo, correspondentes ao ano 2012, apuntan que no conxunto do Estado se detectaron 166 silicóticos, dos cales 65, isto é, o 39%, eran galegos. Nos dous últimos estudos epidemiolóxicos realizados no Centro de Seguridade e Saúde Laboral do ISSGA en Pontevedra, anos 2005 e 2006, atopáronse 77 silicoses sobre un total de 440 participantes e 34 de 257, respectivamente. Máis dados: as estimacións apuntan que no Estado pode haber uns 450 mil traballadores expostos á sílice; destes, perto do 9% estarían en canteiras de pedra natural e lousas, unha actividade típica da Galiza. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 249 do Sermos Galiza, á venda na nosa loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais] |
NOS_23214 | O interese por traballar a prol da comunidade fixo que a veciñanza da Fonsagrada creara en 1984 un padroado para abrir e xestionar a súa propia sala de exposicións. Hoxe son moitos concellos os que seguiron o exemplo mentres divulgan e educan a rapazada ao recordar como se chegou até onde están agora. | O resgardo da tradición e dos costumes de cada comarca, vila ou zona xeográfica está detrás do xerme dos museos etnográficos. En terras lucenses tanto as institucións como a propia veciñanza teñen claro que non desexan deixar oculta a súa historia, as chaves que as levaron até onde están hoxe. Quizais por iso é unha das zonas da Galiza cunha rede museística da identidade popular máis forte. Quer a xente maior, quer a mocidade e as crianzas a través dos centros educativos viven no presente cun pé no pasado para saber de onde veñen, que fixo que a súa sociedade local fose como na actualidade. Na Fonsagrada, no Cebreiro, na cidade de Lugo, no municipio de Friol, en Quiroga ou no Piornedo. Quen queira saber máis da historia do país, sexa de aquí ou pase uns días de descanso, pode elixir entre un amplo tecido de instalacións ás que acudir para coñecer ferramentas de labranza, máquinas de tecer ou materiais de construción adaptados ao clima de cada bisbarra. Ás veces a vertente etnográfica da historia queda de lado por outros puntos de vista, mais tamén se fai importante. Un dos casos curiosos en canto a aposta nas raíces é o da veciñanza da Fonsagrada, que creou pola súa conta un padroado para xestionar a súa propia sala de exposición en recordo aos que foron os eixos máis importantes para o desenvolvemento da comarca. Detrás deste proxecto xurdido no ano 1984 están nomes como o de Esperanza ou o de Xoanxo. Eles son membros da asociación e padroado que manteñen vivo este museo, quizais un dos poucos xestionados unicamente por cidadáns de maneira tan profesional no país. Unha inquedanza por evolucionar coa cultura Xoán Xosé Molina é, hoxe, o presidente do Museo Etnográfico da Fonsagrada e pode seguir presumindo da implicación de moitos particulares desde hai case catro décadas. "Hai aproximadamente 200 socios e isto naceu nunha época moi favorábel, porque coa Transición existía unha chispa especial para iniciar movementos culturais, a xente estaba moi dispoñíbel", recorda. No primeiro padroado estaban representadas a poboación do municipio pero tamén do resto da comarca, "agricultores e artesáns, arquitectos, fotógrafos, funcionarios ou profesores…". Todos traballaron man a man para dar vida a un museo que gardaba a súa cultura no antigo teleclube municipal. Co tempo, as doazóns masivas de material de valor deixárono cativo e foi en 1999 cando asinaron a cesión do que era o "hospitaliño" co Concello. Contaron coa axuda do Goberno local e dos fondos Agader para rehabilitar o local de 700 metros cadrados, que nestas semanas está fechado temporalmente para un arranxo na fachada. Tal foi, e segue a ser, o interese da veciñanza que a maioría das pezas expostas chegaron desde ese lado. "Temos ferramentas de oficios e apeiros de labranza; tamén unha sección da arquitectura particular da zona onde se ve a evolución das vivendas, que é algo que nos diferenza doutros espazos; gardamos maquetas dos hórreos típicos da montaña…", enumera o presidente, que fala doutras coleccións destacadas. As visitas poden comprobar unha mostra da cultura muiñeira e empaparse cunha reflexión sobre o mundo da lousa. Outra das sorpresas que gardan as catro paredes do que foi o centro de saúde primixenio do concello "é unha colección de arte contemporánea de inspiración no mundo rural". Entre as ferramentas antigas hai acenos ao pasado de artistas como Luis Borrajo, Manolo Paz, Paco Pestana e tamén de artistas comarcais de traballo máis recente. Neste museo etnográfico a educación é fundamental e existe unha vivencia en primeira persoa da rapazada dos centros educativos da contorna. Se a idea de montar a sala naceu das exposicións de artesanía que se realizaban polas festas, todo iso que quedou atrás transmíteselles ás crianzas desde que os primeiros cursos da escola. Traballo etnográfico directo dos colexios "A sección dos muíños está feita cos materiais, a investigación e o inventario que fixeron nenas e nenos", conta Molina, demostrando que máis que un traballo de divulgación, hai un labor de integración da historia no imaxinario de toda a poboación. O estudantado chegou a achegar outras pezas e é habitual ver implicación de alumnos e clases en proxectos como o dos soutos e a castaña. Coas obras e a pandemia teñen o seu tesouro máis reservado pero o futuro está garantido porque mesmo existe o plan de ampliar para crear un salón de actos e un cuarto para mostras temporais. No seu momento xa lle deron un tempo ao porco e á vaca, como protagonistas das aldeas. Mais hai máis propostas interesantes. O de Quiroga xa é un museo de titularidade municipal, mais existe o apoio decidido da cidadanía. O responsábel da infraestrutura, Ramón Vila, que traballa man a man coa coidadora dos materiais, María do Carme Armesto, recorda que as portas abriron en 2007 e que "a iniciativa foi curiosa porque entre o 60 e o 65% das pezas chegaron mediante doazóns da xente". A cultura, e polo tanto a etnografía, na contorna ten oito piares básicos. "Catro produtos típicos: o mel, a castaña, o viño e o aceite e; catro materiais: a pedra, a madeira, o ferro e os tecidos", incide Vila. No local teñen montada unha cociña con lareira pero tamén abranguen a evolución da agricultura e da gandaría. Con pupitres das antigas escolas "unitarias" fan que moitas persoas retornen á infancia e que a xente moza vexa as condicións de estudo de antes. No lugar están símbolos dunha historia local como "o primeiro vehículo a motor que circulou pola comarca ou máquinas do taller da imprenta da Casa El Derroche". Esta peza publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa. |
NOS_42708 | Máis un ano, a veciñanza de Nebra homenaxea os seus mártires, abatidos a tiros pola Garda Civil tras negárense a pagar un inxusto tributo imposto para sufragar as débedas xeradas pola nefasta xestión municipal. | O calendario marcaba o 12 de outubro de 1916 cando cinco veciños de Nebra foron asasinados a tiros pola Garda Civil na ponte de Cans nunha mobilización na que se protestaba polo pagamento dun tributo imposto polos responsábeis municipais para sufragar as débedas xeradas pola súa mala xestión. "O medo espallábase polo concello, quen non afrontase o pago, era embargado", lembra Toño Calo, da familia do Martelo, que esta tarde homenaxea os caídos e feridos tras a protesta. "Xermolou a idea desde a casa da Liga Agraria de Nebra e decidiuse facer fronte ao recadador na ponte de Cans para impedirlle o seu camiño de roubo", sinala. Ao paso do recadador por Nebra, veciños e veciñas de todas as aldeas foron achegándose á ponte de Cans ao berro de "non se paga o déficit". Non tardaron en chegar efectivos da Garda Civil que, armados, non dubidaron en disparar para evitar a sublevación da veciñanza. O resultado: 5 mortos e numerosas persoas feridas. "Mentres a xente trataba de darlle auxilio aos seus veciños, as forzas da orde marchaban para defender o alcalde. E foi a través dos altos mandos dende onde foron silenciando estes feitos até quedar no esquecemento", denuncia Toño Calo, da familia que desde o ano 2000 homenaxea as vítimas de Nebra. Na lembranza dos mártires de Nebra esta tarde celebraranse homenaxes ao pé do monólito que lembra os veciños e veciñas na ponte de Cans. Ás 18h terá lugar o acto organizado polo BNG de Porto do Son, que contará coa intervención de Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común. Unha hora após celebrarase a ofrenda floral impulsada pola familia do Martelo. |
NOS_46703 | O pregón do entroido en Compostela, pronunciado polo dramaturgo Carlos Santiago a través do personaxe do Apóstolo Santiago, está a desembocar nunha manifestación colectiva en defensa da liberdade de expresión. Un novo manifesto, A prol do Apóstolo Santiago, vén de saír á luz. | O texto cualifica de "ataque cavernario" a campaña iniciada pola prensa local contra o acto do carnaval compostelán, "un ataque ao espírito crítico, antagonista e contestatario, a propia esencia do entroido". "Pode chamarse moitas cousas o que fixo e está a facer El Correo Gallego, pero información non é. É axitación, vontade de confundir e ganas de armar follón", di. O singular do manifesto, que se suma a comunicados de apoio da Asociación Galega de Dramaturxia, a AELG ou dun cento de voces portuguesas -país estreitamente vencellado ao traballo de Carlos Santiago-, son as sinaturas colectivas. Entre elas atópanse partidos políticos -Compostela Aberta, BNG e Anova-, asociacións relacionadas coa escena, editoriais -Positivas, Axóuxere- ou grupos de teatro -Chévere, Berrobambán, Mofa e Befa. |
PRAZA_10857 | A sociedade civil, os centros educativos, as institucións públicas e privadas, os políticos designados, todos eles son responsables e teñen que render contas polos servizos polos que se lles paga ou son elixidos para facer. | Hoxe en día, existe pouca conciencia sobre a inxustiza da discriminación de xénero na arte. Isto sucede porque hai moi pouca información dispoñible sobre o asunto, e pouca difusión da mesma; e debido a que na actualidade a maioría dos alumnos das Escolas de Arte e das Facultades de Belas Artes son mulleres, o lóxico sería presupoñer que as artistas acceden ó ámbito profesional e mantéñense nel coa mesma facilidade ca os homes. Parece que en moitas ocasións non nos decatamos de que a presenza de mulleres creadoras nos eventos culturais e artísticos é moi inferior á dos homes, quizais porque estamos tan afeitos á ausencia das mulleres nese ámbito que nin sequera nos damos conta. Se tomamos conciencia sobre o que está pasando no mundo da arte, poderemos empoderar ás mulleres artistas e traballar para poñer fin ás inxustizas ás que fan fronte. Poñamos as cousas en perspectiva: en 1989, o grupo de artistas activistas feministas Guerrilla Girls colocaron un cartel diante do Metropolitan Museum de Nova York no que aparecía unha reprodución da pintura La Grande Odalisque de Jean Auguste Dominique Ingres, cunha cabeza de gorila colocada sobre a faciana orixinal, acompañada dun texto no que, en resposta ó número desmesurado de espidos que contaron nas seccións de Arte Moderna do museo, preguntaban sarcasticamente: "¿Teñen que estar espidas as mulleres para entrar no Met. Museum? Menos do 5% dos artistas das seccións de Arte Moderna son mulleres, pero o 85% dos espidos son femininos". Segundo un informe da asociación MAV (Asociación de Mujeres en las Artes Visuales Contemporáneas), en 2019 na feira de arte máis internacional do estado español, ARCO, só estiveron representadas un 6,13% de mulleres artistas españolas, e en total, estiveron presentes un 26,5% de mulleres artistas. Unhas cifras inaceptables que ademais mostran unha caída con respecto ó ano 2010, no que estiveron representadas un 7% de artistas españolas e un 29% de mulleres artistas en total. Outro dos datos rechamantes que desvela esta asociación é que os directores de galerías homes (un 45,3% dos galeristas) decántanse descaradamente polos artistas homes: un 78% fronte ó 21,7% de mulleres, e un 0% de colectivos de artistas mixtos. No caso das galerías dirixidas por un equipo mixto (un 23,2% dos galeristas) a desigualdade segue a ser moi elevada, pois promoven a un 72% de homes, un 27,6% de mulleres e un 0,3% de colectivos mixtos. As galerías xestionadas por mulleres (un 31,5% dos galeristas) están lixeiramente máis dispostas a representar a mulleres artistas, aínda que o desequilibrio segue a ser un problema grande e xeneralizado, porque representan a un 65,3% de homes, un 32,4% de mulleres e un 2% de colectivos mixtos. ¿E que acontece en Galiza? En 2015 publicouse un estudo dirixido pola historiadora da arte María Luisa Sobrino Manzanares titulado Arte + mulleres. Creadoras galegas, que abrangue o período dende 1990 a 2013. Este informe indícanos que a pesar da transformación do panorama artístico galego que se acadou nesas dúas décadas, xunto coa difusión do feminismo no eido cultural, e de diversas iniciativas artísticas feministas que combateron a discriminación sexista na arte, non se produciu un impacto significativo na visibilidade do traballo das mulleres artistas con respecto a épocas pasadas moito máis escuras, senón que persiste obstinadamente unha situación moi desfavorable para elas en Galiza. Por se fora pouco, obsérvase que a presenza das mulleres artistas foi diminuíndo paulatinamente dende a década dos 90 ata o momento actual. Aínda que na actualidade en Galiza arredor dun 70% dos estudantes das Escolas de Arte e da Facultade de Belas Artes son mulleres, a porcentaxe da súa participación no ámbito profesional e nas exposicións segue a ser escasa, e a repercusión mediática das súas propostas artísticas é menor. Por exemplo, analizando a participación en exposicións individuais de mulleres e homes artistas galegos nas principais institucións galegas adicadas á mostra de arte contemporánea, neste estudo recóllese, entre outros datos, que ata 2013 na programación expositiva do CGAC houbo unha presenza dun 4,2% de mulleres galegas fronte a un 25,3% de homes galegos. No MARCO, un 19,3% de mulleres galegas, fronte a un 42% de homes galegos. No Auditorio de Galicia, un 2,8% de mulleres galegas fronte a un 38,9% de homes galegos. E na Fundación Luís Seoane, un 0% de mulleres galegas fronte a un 62,2% de homes galegos. E no que respecta á programación das exposicións colectivas, a presenza das mulleres segue sendo escasa. Este informe evidencia o desprezo á creación artística feminina, especialmente á galega, no ámbito expositivo das institucións e galerías galegas. Canto maior é a importancia das institucións, menor é a presenza das mulleres, en particular das galegas; e cando se lles dá a oportunidade de expoñer, adoita ser nos espazos máis periféricos. A maioría das galerías tampouco apostan pola obra das xoves artistas galegas. Case pasaron 30 anos dende 1990 e a situación apenas cambiou. Se seguimos a este ritmo, ¿cantos anos máis teremos que agardar para acadar a igualdade de xénero na arte? A miña xeración non ten 100 anos para esperar pola igualdade de xénero. Non todo son malas novas. Despois de moitos anos de loita, comezamos a ver algúns resultados, e hai que salientar que en Galiza dende algunhas institucións, como por exemplo a Rede Museística Provincial de Lugo, estase a programar en igualdade, cun 52% de mulleres artistas que mostraron o seu traballo nas súas exposicións de 2018, e fóra de Galiza feiras emerxentes coma JustMAD e Hybrid representan a homes e mulleres en paridade, cun 47% e un 53% respectivamente. Malia estes pequenos avances, o certo é que a maioría das mulleres artistas aínda seguen buscando o seu lugar, discriminadas, subestimadas e peor remuneradas nun sistema cultural no que os homes ocupan a maior parte dos verdadeiros postos de poder. E aquí ven outra cifra demoledora: en todo o mundo, as mulleres artistas cobran un 47,6% menos ca os homes polo mesmo traballo, como revela o estudo ¿Está o Xénero no Ollo do Espectador? Identificando Actitudes Culturais con Prezos nas Poxas de Arte, publicado en 2017 pola Universidade de Oxford.A Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes aprobada polo Goberno de España non se cumpre en grande parte do sistema artístico. É hora de que as institucións públicas e privadas se fagan responsables e de que usen a súa grande influencia na loita pola igualdade. Apelamos a eles para que leven a cabo accións concretas, pois precisamos un progreso real, non promesas. Cando se organizan iniciativas artísticas feministas encamiñadas a visibilizar a obra das mulleres, en ocasións cuestiónase se son necesarias; tamén se pon en dúbida a súa idoneidade, argumentando que nestas iniciativas non se valora ás artistas polos seus méritos propios, senón unicamente polo feito de ser mulleres. Non obstante, non hai controversia sobre a longa lista de homes que, durante séculos e ata o día de hoxe, obtiveron oportunidades de expoñer a súa obra, mentres quedaban no esquecemento mulleres igual de válidas ca eles. A traxectoria dos artistas non depende unicamente do seu talento, pois precisan apoios e recoñecemento para consolidar a súa carreira e continuar na profesión, e iso é algo do que aínda carecen a maioría das mulleres artistas. Moitas mulleres formadas abandonan a actividade artística debido ás dificultades que atopan para incorporarse ó ámbito profesional ou a outras circunstancias, coa enorme perda de potencial que iso supón para nós. ¿Cal vai a ser o futuro da nosa cultura? Combater a discriminación de xénero é chave se queremos telo nun país onde a desigualdade é tan predominante coma en Galiza, e por iso é necesario impulsar iniciativas artísticas que apoien ás mulleres. O pasado mes de marzo, comecei a colaborar como Coordinadora de Cultura en Lugonovo, unha plataforma cidadá lucense que apoia ás creadoras, e decidín poñer en marcha unha Programación Cultural Anual adicada unicamente a mulleres artistas, algo que fixemos realidade por primeira vez dende unha plataforma cidadá lucense, grazas ó traballo en equipo de varios membros de Lugonovo en colaboración con Caldiae Factoría Cultural. Trátase dunha serie de exposicións da obra de mulleres artistas que actualmente realizamos nas instalacións de Caldiae, que teñen unha duración aproximada de tres semanas cada unha, programadas para sucederse durante todo o ano. Queremos, coa nosa proposta, traballar para impulsar á seguinte xeración de mulleres creadoras, asegurándonos non só de que teñan acceso a un espazo no que poidan expoñer a súa obra, senón tamén visibilidade nas redes sociais e nos medios de comunicación, e mantémonos en contacto permanente con elas para proporcionarlles axuda, información e orientación, de xeito que poidan desenvolver o seu traballo de forma excelente. As miñas compañeiras artistas Bego Pérez, María Mata, Verónica López, Luz Arias, Sonia Marpez, María Sánchez, Marisa Celada, Andrea Mariz, Luisa Paz, Gema López, Susana Vilanova ou María Nogueira son pintoras, fotógrafas, ceramistas, deseñadoras ou poetas, expoñentes da mellor calidade da arte lucense actual coa súa innovación e ambición, e están desexando expoñer o seu traballo na cidade. Penso que é importante apoiar a persoas coma elas, pois o seu progreso terá unha grande repercusión no futuro de toda a cultura lucense. Con esta programación, non queremos simplemente mellorar a vida cultural lucense. Queremos inverter os roles de xénero, creando unha abundancia de oportunidades para que as mulleres poidan entrar na profesión. En Galiza, onde a taxa de desemprego entre as artistas é alta, atopar a oportunidade de expoñer pode ser crucial para impulsa-la carreira de moitas mulleres, que algún día poden chegar a adicarse profesionalmente á arte. Queremos unha sociedade onde as mulleres sobresaian. Que a cultura sexa para todas e todos e non un reduto para uns poucos; que sexa unha forma de expresión e participación inclusiva e variada, onde todas as persoas se poidan expresar en liberdade e igualdade. Queremos que na cultura se reflicta a pluralidade e a diversidade da sociedade, algo que non sucede actualmente. Queremos que Lugo sexa unha cidade con futuro en tódolos sentidos; onde existan oportunidades para os artistas, onde a xente queira vivir e traballar, que a xente queira visitar. Isto implica que Lugo teña unha oferta cultural e de ocio de calidade, e que a xente estea ben informada sobre ela. A cultura é clave para o benestar e o desenvolvemento das persoas, pois inflúe na nosa forma de aprender, vivir e comportarnos. A cultura contribúe en grande medida ó crecemento económico, á integración e inclusión social e á transformación das cidades. E a cultura na nosa cidade non terá futuro se agora non tomamos medidas para fomenta-la participación plena e o empoderamento das mulleres na creación. Aborda-lo problema da desigualdade de xénero require compromiso non só do goberno, senón da sociedade en xeral. Non é suficiente con promover o valor da educación e investir nela para asegura-lo futuro da xuventude galega. A sociedade civil, os centros educativos, as institucións públicas e privadas, os políticos designados, todos eles son responsables e teñen que render contas polos servizos polos que se lles paga ou son elixidos para facer. |
PRAZA_14252 | Foucelhas é a figura ainda hoje mais carismática e popular da resistência anti-fascista galega, e é lógico que assim seja. O seu nome inspira rebeldia e é umha metáfora daquela Galiza que ainda pervive na memória genética daquelas pessoas que temos umha consciência anti-capitalista e anti-fascista. Umha Galiza que se revoltava contra a injustiça e contra a barbárie, antitética com essa outra Galiza do eterno tópico, sempre submissa e resignada. Contra o pesado tormento desse lugar comum, um bom antídoto é a evocaçom do companheiro Benigno Andrade. | No 8 de Agosto de 1952 (isto é, treze anos depois de oficialmente acabada a Guerra Civil Espanhola) era executado a garrote Benigno Andrade Foucelhas. Foi na antiga cadea sediada nas proximidades da Torre de Hércules. Como era de prevêr, o regime fascista nom se apiadou do bravo guerreiro que tivo em xeque mate durante tanto tempo aos esquadrons da morte do Somatén e à Guardia Civil, que protagonizou tantos ajustiçamentos de confidentes e membros das forças repressivas e que tivo os montes por fortaleza e ao povo como silencioso cúmplice. O seu nome inspira rebeldia e é umha metáfora daquela Galiza que ainda pervive na memória genética daquelas pessoas que temos umha consciência anti-capitalista e anti-fascista Foucelhas é a figura ainda hoje mais carismática e popular da resistência anti-fascista galega, e é lógico que assim seja. O seu nome inspira rebeldia e é umha metáfora daquela Galiza que ainda pervive na memória genética daquelas pessoas que temos umha consciência anti-capitalista e anti-fascista. Umha Galiza que se revoltava contra a injustiça e contra a barbárie, antitética com essa outra Galiza do eterno tópico, sempre submissa e resignada. Contra o pesado tormento desse lugar comum, um bom antídoto é a evocaçom do companheiro Benigno Andrade. Benigno Andrade nom sei se foi um herói, mas eu diria que sim. E ainda nom sendo assim, é sem dúvida um mártir da nossa classe. Por muito que certo revisionismo histórico o risque de simples pilha-galinhas. A própria maneira em que foi perseguido e posteriormente torturado, julgado e executado, invalidam qualquer intento de refutar o carácter de mártir da causa operária do Foucelhas. Porque o Foucelhas, Benigno Andrade, o labrego, o mineiro, o anarquista, o guerrilheiro… nom estivo fugido durante anos, nom foi brutalmente torturado, e, ante tudo, nom lhe foi celebrado um conselho de guerra porque roubara galinhas, ou coelhos, ou patacas, ou repolos, ou porque atracara tabernas, ou porque matara a certo número de pessoas em açons de expropriaçom, ou de repressália, ou simplesmente de combate polo monte arriba…esse nom é o motivo central polo qual o estado fascista culmina o ato de condenaçom e puniçom pública do Foucelhas com umha execuçom a garrote. Esses som os ribetes, a guarniçom do motivo essencial, que nom é outro que a motivaçom política do Foucelhas para adoptar a vida guerrilheira como forma de resistência e insubmissom contra a ordem fascista. Na época na que Foucelhas é executado, existe o bandoleirismo em forma de delinqüência comum nos montes da Galiza, mas bem sabe o poder fascista naquela altura que nom é esse o caso do Benigno Andrade e, nessa consciência é que se age à hora de aplicar a repressom. O Foucelhas morreu a garrote porque era anarquista e porque era guerrilheiro. E porque assumia a sua forma de vida desde essa condiçom de rebelde ao regime nascido do golpe militar de 36. O Foucelhas morreu a garrote porque era anarquista e porque era guerrilheiro. E porque assumia a sua forma de vida desde essa condiçom de rebelde ao regime nascido do golpe militar de 36. Na memória coletiva deste povo permanecerá a imagem do Foucelhas às portas da Corunha, com os mineiros de Lousame dispostos a matar aos facciosos a barrenaços; a estampa do Foucelhas a intercambiar disparos com Guardia Civil e falangistas polos montes de Arçua, Irijoa, Sobrado, Curtis; ou a anécdota simpática, popular, do Benigno Andrade disfarçado de crego para entrar de graça no Estádio de Riaçor e olhar os jogos do Deportivo. E o monte que foi morada e fortaleza para ele e armadilha mortal tantas vezes para os seus inimigos também lhe guarda memória. Os bidueiros que se calhar lhe derom sombra, as nogueiras e castinheiras que se calhar lhe derom no seu dia sustento, o rio que apagou a sua sede, o rechouchio das aves que povoam a fraga e que pugérom arrolo natural ao seu sono, as pedras e penedos que lhe derom assento, hoje recordam o seu passo, a sua presença furtiva, enquanto se resistem a desaparecer sob as lapas do lume bárbaro dos filhos e netos dos que matárom ao seu outrora hóspede. Mais aló da névoa e o orvalho, ainda adivinhamos o seu passo; sem dúvida porque a senda que deixou nem a lume nem a sangue se apagam. |
NOS_11249 | Escándalo nas redes. | Antón Reixa escribiu nos 80 'Contra a Sida, rock´n´roll' e a Xunta de Galiza vén de publicar en 2015 unha guía que se podería resumir nun 'contra a Sida, se es homosexual, nada de xogos', que está a xerar comentarios, chanzas e denuncias nas redes sociais. O xornalista Daniel Domínguez desvelou esta terza feira en 'Faro de Vigo' que a Xunta quer evitar o sexo entre homes descoñecidos, así como diversas prácticas sexuais, na súa cuzada contra a Sida e para reducir os contaxios de VIH. O goberno do PP galego considera que determinadas prácticas, explica Domínguez, "favorecen o sexo desprotexido con descoñecidos" e supoñen maios risco de contaxio. No 'Plan Galego anti-VIH/Sida e outras infeccións de transmisión sexual 2015-2018", hai un apartado que se propón "evitar o sexo entre adultos en lugares públicos, modalidades como o uso do puño como xoguete sexual -coñecido como "fisting"-, "a penetración con xoguetes sexuais ou obxectos non hixiénicos ou que poden causar feridas", así como fomentar "habilidades para aumentar a capacidade de negociación co compañeiro para un sexo seguro" ou reducir o consumo de alcohol e drogas. Como lembra o xornalista na nova do Faro, as únicas alusións a prácticas "que se saen das convencións sociais limítanse ao colectivo homosexual. Reaccións Nas redes xa se estenderon as reaccións á noticia. Chíos como o de @franplorenzo ou de @cascarelo foron só algúns dos moitos que se produciron. A Xunta de Feijóo quere agora prohibir o cruising que é xustamente o que practican todos os señores casados do PP infelices coas súas vidas.— Fran P. Lorenzo (@franplorenzo) junio 2, 2015 Alegar motivos de «higiene» para atacar o cruising é parecido a amparar-se na «nom violência» para sancionar que se apupe o hino.— Cascarelo (@Cascarelo) junio 2, 2015 |
NOS_26293 | Co mes de setembro volveron as chuvias á Galiza, mais non empaparon por igual todo o territorio. Lonxe de mudar a situación de seca declarada xa antes da primavera, estas precipitacións contribúen a devolverlle ao solo unha humidade esquecida. | "É importante que chova", afirma o profesor de Xeografía da USC Horacio García a Nós Diario, "mais tamén interesa ver a intensidade coa que o fai, especialmente despois da vaga de incendios deste verán". As precipitacións destes días, di, non van marcar unha gran diferenza máis aló do seu impacto puntual sobre o terreo. "Nunha contorna forestal e boscosa a chuvia vai penetrar máis lentamente e servirá para recargar antes os acuíferos e levar humidade a tódolos estratos do solo; nun terreo espido, como pode ser o arrasado polos incendios, esa penetración non vai ser igual, arrastrará gran cantidade de sedimento e cinza e producirá unha maior erosión do solo". Hai que desterrar esa idea da Galiza sempre húmida e verde Polo tanto, aclara García, estas primeiras chuvias após semanas de escaseza "veñen ben mais non son a solución final ao problema", que seguirá instalado nos meses de estío. "Hai que desterrar esa idea da Galiza sempre húmida e verde. É certo que no seu conxunto, e máis dentro do marco ibérico, a Galiza é un territorio verde e húmido, pero con moita diversidade interna no volume de precipitación e verdor. Unha boa parte da Galiza é verde e húmida pero hai outra que, especialmente no verán, é seca e amarela". Veráns secos O profesor da USC explica que os veráns galegos adoitan ser máis secos que os de moitos puntos da cornixa cantábrica, polo que non é "excepcional" que na Galiza se dean problemas de escaseza de auga asociados á seca. O tipo de solo e a súa capacidade para reter humidade varía co territorio, de maneira que baixo un mesmo período de seca non son de estrañar diferentes situacións de abastecemento de auga. Inflúen as características xeográficas mais tamén a densidade de poboación, os usos do solo e o tipo de actividade predominante en cada zona. A choiva non palia a seca: os encoros galegos almacenan xa menos da metade da súa capacidade "Non é o mesmo o que acontece na Terra Cha, na Mariña ou que na contorna de Vigo. Cada sitio afronta un período de seca de forma diferente. A mesma ausencia de precipitación por metro cadrado maniféstase de forma distinta". E cita o caso de Vigo e a súa área de influencia. "Integran un sector sen grandes ríos e densamente poboado con fortes demandas de auga, ingredientes perfectos para entrar en escaseza de auga". Urxe pór énfase en campañas educativas que promovan a auga como un recurso esencial para a vida O experto en restauración e xeomorfoloxía fluvial remarca a diferenza entre seca e escaseza de auga. A primeira, sinala, é un concepto climático que alude a unha redución ou ausencia notábel e prolongada das chuvias nunha rexión en relación ás condicións medias. "Está moi relacionado co concepto de estiaxe, que é de tipo hidrolóxico e refírese a un descenso acusado do caudal dun río respecto do normal". Polo xeral, van da man e adoitan darse no verán. "Cantidades devastadoras" de crianzas, en risco de morte no Corno de África e o Sahel por mor da seca Pola súa parte, a escaseza de auga refírese a unha insuficiencia dos recursos hídricos para satisfacer as necesidades básicas de auga a medio e longo prazo. "Esta carencia pode estar causada por máis factores que unha seca. Pode ser resultado dunha mala xestión do recurso, por exemplo", engade. Equilibrio ecolóxico Neste sentido, Horacio García é partidario de "repensar" o aproveitamento dos recursos hídricos. "O imaxinario colectivo desa Galiza dos mil ríos, sempre verde e na que sempre chove conduciunos, creo eu, a valorar moi pouco a auga como ben vital, de primeira necesidade. Vivir nesa burbulla de abundancia supón un shock cando, de súpeto, chegan restricións" que aínda vemos como esporádicas e temporais. Mais a realidade apunta noutra dirección, indica García. A demanda -crecente- de auga derivada de bens e servizos aproxímase cada vez máis á oferta. "Un caso claro podémolo ver nunha cidade turística como Compostela. As captacións e traídas de auga están feitas para unha poboación residente que durante varios meses sobrepasa os seus límites. Estase a tirar do recurso hídrico por riba da capacidade ecolóxica real, achegando o río a unha seca hidrolóxica". Do total da auga da Terra, algo menos de 3% é auga doce Unha parte do consumo da auga da cidade procede do Tambre, mais "devólvese ao Sar", destaca o profesor da USC. "Estase a facer unha transferencia de auga dunha cunca a outra, o que desde un punto de vista ecolóxico fai que un río teña máis caudal do que lle corresponde e outro menos". Cambio de paradigma García chama á reflexión sobre a forma que temos de relacionarnos e consumir as sociedades neste mundo globalizado e insiste en que hai unha capacidade de carga hídrica para cada territorio á que cómpre adaptarse. "Isto supón un cambio de paradigma no modo de relacionamos coa natureza e urxe pór énfase en campañas educativas que promovan a auga como un recurso esencial para a vida, escaso, finito e moi sensíbel". Falta auga Esta sensibilidade, di, vese moi ben reflectida nos ríos. "Do total da auga da Terra, algo menos de 3% é auga doce, que nun 80% está na superficie, 99% en forma de xeo. Entón, que nos queda? Nada máis que a auga dos lagos e da atmosfera, e a dos ríos, por suposto, que ven a representar entre un 0,003 e un 0,006% da porcentaxe de auga superficial en circulación". De nada serve a mellor rede de distribución de auga do mundo se seguimos a facer un uso desmedido da billa, apostila. A educación cidadá é a medida máis intelixente, e debe ser a primeira, tamén para desterrar ideas como a necesidade de transvases de auga entre cuncas hidrográficas. "Son un grave erro que no canto de solucionar o problema, agrávano, porque é dotar de forma ficticia un territorio dunhas capacidades superiores ás que ten, favorecendo un desenvolvemento que non corresponde coa súa realidade", conclúe. |
NOS_10441 | O ministro de Sanidade asegura que, malia o recorte na subministración de doses da vacina anunciado por Pfizer de cara a semana que vén, a inoculación das persoas que recibiron a primeira está garantida. | O ministro de Sanidade, Salvador Illa, asegurou este sábado que, aínda que o estado de alarma permite toques de recoller entre as 22 e as 7 horas, está aberto a modificalo para dobregar a curva de contaxios de Covid-19. "Se hai que revisar esta franxa horaria ímolo facer falando con todo o mundo" asegurou, co obxectivo de garantir a cobertura legal de todas as medidas que se adopten. Illa compareceu ante os medios desde a Delegación do Goberno en Barcelona, para avaliar a situación actual da pandemia, a marcha da estratexia de vacinación e os pasos a seguir para rebaixar a incidencia do coronavirus. Neste sentido, o ministro de Sanidade asegurou que as cifras da terceira vaga da pandemia son "moi preocupantes", cunha incidencia acumulada a 14 días de 575 casos por cada 100.000 habitantes e a presión hospitalaria en aumento, dixo. Sobre a posibilidade de decretar outro confinamento domiciliario polo incremento de casos de Covid-19, afirmou que é unha opción que o Goberno estatal "non contempla" ao tempo que defendeu a utilidade da cogobernanza e do estado de alarma para dobregar a curva actual. "Pensamos que cos instrumentos que temos a disposición, os previstos no estado de alarma, é suficiente para dobregar esta terceira onda", como se fixo coa segunda, e destacou que tras aplicar medidas hai que esperar algúns días para ver o seu efecto. Estratexia de vacinación En canto á estratexia de vacinación, Salvador Illa dixo que "funciona" e salientou que o ritmo de vacinación é "óptimo". Segundo revelou, España é o noveno país do mundo con mellores porcentaxes de inoculación e un dos primeiros da Unión Europea. Asegurou que a curto prazo o obxectivo é "ter máis persoas vacinadas que contaxiadas" e fixou como meta alcanzar 70% da poboación vacinada nos meses de verán. Nos próximos días anunciou que definirán os novos grupos diana obxecto da campaña de vacinación fronte ao coronavirus e advertiu que malia o anuncio de Pfizer, que a semana que vén vai entregar menos doses das comprometidas -só 56% das que contaban recibir os territorios-, "todas as persoas que recibiron a primeira vacina teñen asegurada a segunda dose" que comeza a dispensarse de forma xenérica a vindeira segunda feira, día 18. |
PRAZA_9789 | A poeta e xornalista chega á RAG cun discurso no que trazou unha cartografía de "complicidades na resistencia", dende as pioneiras da literatura ata as mulleres dos "lavadoiros, nas cadeas de conserva, nas redes dos peiraos". "Pensar en galego vai moito máis alá da lingua de uso. Somos unha perspectiva, unha posición, unha realidade. Somos idioma, non a súa tradución", advertiu sobre os medios públicos | Ana Romaní evocou este sábado en Noia a Xohana Torres e a Antón Avilés de Taramancos. As dúas figuras regresaron ao Coliseo Noela, onde compartiran palabra poética no Día das Letras Galegas do ano 2003, a través do discurso co que a escritora e xornalista ingresou formalmente este sábado na Real Academia Galega, onde cobre a vacante da autora do Eu tamén navegar, o discurso co que a escritora falecida en 2017 ingresara na institución académica a comezos de século.Romaní evocou a Xohana Torres e Avilés de Taramancos como base do seu discurso de ingresoTáctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas foi o título do discurso pronunciado por Romaní para entrar na RAG. Ante o plenario extraordinario da institución teceu unha intervención na que Xohana Torres foi omnipresente. O mar, Penélope, o "tear do poético", foron base dun discurso de reivindicación da poesía, do feminismo e do xornalismo comprometido.A nova académica trazou unha cartografía de "complicidades na resistencia", dende as pioneiras da literatura ata as mulleres dos "lavadoiros, nas cadeas de conserva, nas redes dos peiraos"Dende as pioneiras da literatura, Rosalía e todas as demais, ata as contemporáneas Pura Vázquez, Xela Arias, María do Carme Kruckenberg ou Begoña Caamaño, compañeira de Romaní nas letras e na Radio Galega, Ana Romaní debuxou ante o plenario e as persoas convidadas unha cartografía das "complicidades na resistencia", dos "lazos que engastan complicidades e diálogos" de voces diferentes. Nos libros e nos faladoiros, pero tamén "nos lavadoiros, nas cadeas de conserva, nas redes dos peiraos" onde as mulleres se xuntan e falan.O seu traballo como xornalista na Radio Galega, a súa traxectoria no Diario Cultural de 1990 ao pasado 2018 e o transo actual dos medios públicos e as mobilizacións de boa parte do seu persoal foron tamén peza clave no ingreso de Ana Romaní na RAG. Grazas ao traballo colectivo singrou durante lustros nun "veleiro radiofónico" do que xurdiron proxectos innovadores, certames participativos e vieiros alén das ondas."Pensar en galego vai moito máis alá da lingua de uso. Somos unha perspectiva, unha posición, unha realidade. Somos idioma, non a súa tradución"Ela, afirma, ten o convencemento de que "entre todas e todos podemos facer unha radio pública que se comprometa, na independencia e no entusiasmo, coa realidade e o futuro do país" e coa cidadanía que "a dota de sentido e de contido". "Hai audiencias que demandan e un idioma que urxe" ese tipo de radio e, en xeral, uns medios públicos que son ou deberan ser máis que "medios de comunicación en galego". "Deberían ser os medios galegos, modelos de información dun país e, polo tanto, deseños propios de parámetros informativos, de liñas de programación" e mesmo de "estruturas organizativas que garantan a súa independencia"."Como todas e todos vostedes saben -apelou- pensar en galego vai moito máis alá da lingua de uso", xa que "supón unha perspectiva, unha posición, unha realidade. Somos idioma, non a súa tradución"e por iso "na actuar cartografía mediática, desoír esa función" e caer en dinámicas como a "reprodución mecánica" empurra estes medios a un "baleiramento de sentido". A unha "absoluta atonía" na que eses "corpos públicos" simplemente "aboian", advertiu. Romaní apela para o futuro dos medios públicos ás "praxes de ilusións compartidas" que "promoven esperanzas no medio do deserto"Pero o discurso de Romaní non foi pesimista. Queda "o activismo colectivo", tamén "as praxes das ilusións compartidas" que "promoven esperanzas no medio do deserto". "Existe un mar", como dixo Xohana Torres, polo que navegar, nas letras e no xornalismo.Para a Academia a chegada de Ana Romaní é "un día feliz", afirmou no nome da institución o seu presidente, Víctor Freixanes. Margarita Ledo foi a encargada de dar resposta á intervención da nova académica que, segundo Freixanes, foi valorada para se sumar como poeta, pero tamén como "activista cultural que leva moito tempo comprometida co país" e mais como "comunicadora". |
PRAZA_17539 | Eu navego no galeón dos malditos, silenciados e censurados. Aquí me encontro, con Valtònyc, con Evaristo Páramos, con Pablo Hasel e con Willy Toledo entre outros. Si, sulcamos o mar de ninguén e ás veces cantamos a nosa vella canción corsaria. E lánzannos pólvora desde todos os flancos se bordeamos a costa do Reino de España. | Eu navego no galeón dos malditos, silenciados e censurados. Aquí me encontro, con Valtònyc, con Evaristo Páramos, con Pablo Hasel e con Willy Toledo entre outros. Si, sulcamos o mar de ninguén e ás veces cantamos a nosa vella canción corsaria. E lánzannos pólvora desde todos os flancos se bordeamos a costa do Reino de España. Con certeza, a alguns non nos perdoan manifestarnos como o que somos, disidentes da sua verdade absoluta e total. É que a arte no estado español só se concive como producción para o ocio, e non se tolera como actividade promotora do pensamento crítico. Vostede pode ser artista se consegue meterse nos circuitos, no mundiño, e o gremio o acepta como tal, pero moito ollo con cuestionar ao poder e dicir cousas que poidan incomodar. Cousas como que? Pois cousas como negar a lexitimidade da monarquia, facer parodia ou escarnio da igrexa católica ou afirmar realidades que o discurso oficial nega, como que efectivamente no estado español como en calquer estado hai presos políticos. Se vostede incorre nesas blasfemias o primeiro que acontecerá é que será expulsado dos circuitos e o segundo que acontecerá é que os medios de comunicación só o mencionarán para insultá-lo, desacreditar a sua traxectoria artística e facer burla dos seus posicionamentos. Como consecuencia do anterior, en terceiro lugar terá vostede a unha inmensa maioria da opinión pública na sua contra. Á opinión pública non lle gustan os artistas disidentes. En xeral, a arte non gusta, a xente mais ben adora aos deportistas de élite, porque no deporte de élite non cabe conflicto. O deporte de élite ofrece un horizonte sinxelo de alcanzar: o de sentirse gañador. Para sentirse gañador, non hai mais que identificarse co gañador...ser do Madrid, ser do Barça, ser de Rafa Nadal. Os perdedores simplemente forman parte do escenario, non se fala deles...existen para que o gañador pase por riba deles. O deporte de élite sublima o ideal do ultraliberalismo; o importante é ser o mellor. Non caben os matices, nin as opinións. O deporte de élite tamén nos fai sentir gañadores nun contexto que ofrece poucos motivos para tal sentimento. Dificil enorgullecerse dos índices de pobreza absolutamente disparados; da pobreza enerxética, das colas nos comedores sociais, dos desafiuzamentos, do peche fraudulento de empresas, da corrupción política, da regresión das liberdades públicas...a única maneira de sobrevoar un cadro tan desolador é celebrando victorias deportivas. España é o mellor país do mundo porque Rafa Nadal gañou o Roland Garròs outra vez, porque o Madrid é de novo campión de Europa, porque a liga española de fútbol é a mais espectacular ("Soy español, a qué quieres que te gane" di o eslógan chovinista) É comprensible que, se no medio da festa aparece un artista medio descoñecido chamando a atención sobre cuestións que queremos esquecer, a xente o apupe masivamente. Evaristo Páramos resultaba simpático cando éramos adolescentes e escoitábamos as cancións de La Polla Record's sen crer unha palabra do que dician. Porque claro, era para botar unhas risas. Hoxe que somos pais de familia, xa nos podemos parecer a esa xeración anterior á que xurábamos que nunca nos pareceríamos. Sexamos traballadores precarios ou desempregados de longa duración, que non nos quiten os cubatas dominicais co fútbol como ruido de fondo. De feito a unidade de España é incuestionable, porque se Catalunya se independiza, a ver en que liga vai xogar o Barça. Os cataláns fan o ridículo querendo votar e as cabezas rotas son unha risa, co quentiño que se está aquí, vendo o eterno partido de fútbol que sempre gañará o Madrid. Evaristo Páramos é un pallaso que se creu a sua propia película, as letras de La Polla eran moi simpáticas, pero mira que pretender facer delas un plantexamento político...hai que estar tolos. E de cear, croquetas. A Valtònyc e a Pablo Hasel había que meté-los no cárcere, pero polo mal que rapean...outro mantra. O mercado está cheo de merda á que chaman música, pero o caso é non dar a razón a quen sabemos que a ten. Esconxuramos ao demo poñendo por diante o mal gosto das letras deses rapeiros, ou a suposta falta de calidade da sua obra...nin de coña nos poñemos de parte de xóvenes cuxo único delito é non renderlle preitesia aos poderosos e denunciar os crimes do sistema. Rapear a verdade, é o que fixeron. Chámase covardia. É mellor mofarse deles porque van comer talego, os moi pringados, co facil que terian triunfar falando do que hai que falar nas cancións...de amor romántico heterosexual e de heroicidades sexuais varias...ese é o rap que nos gusta escoitar, o que pinta un mundo que non ten nada que ver co noso. ...e Willy Toledo? É curioso o de Willy Toledo. Willy Toledo, se tan ben fala de Cuba deberia marchar a vivir alá. Ah, que xa vive en Cuba? Claro, vive a corpo de rei a costa de facer propaganda do rexime castrista. Seguramente non vivirá como a maioria dos cubanos, que xa se sabe que todos os cubanos morren de fame, prostituense e queren fuxir da illa (sempre me chamou a atención unha cousa...non acababan antes derrocando ese rexime que supostamente os oprime? Levamos décadas escoitando falar da iminente caida do réxime...continuamos agardando). Pois iso, que Toni Cantó pode dicir barbaridades que non pasa nada, e cobrar do erario público por dicir e defender esas barbaridades, pero a Willy Toledo cada vez que abre a boca, ainda que saibamos que di a verdade, caille unha salva de improperios. Non é obrigatorio que nos guste o traballo de Willy Toledo, nin que nos caia ben el. Non é obrigatorio concordar con el, pero é hipócrita insultá-lo polo simple feito de opinar diferente á maioria. A xenreira que produce o feito de levantar a voz contra a oligarquia, de poñerlle ao descoberto as vergoñas ao rexime, o que me suxire é que camiñamos cara unha sociedade retrógrada e ultra. Pero ademais teño a sensación de que o facemos de maneira absolutamente consciente e mesmo con agrado. Orgullosos da nosa brutalidade e o noso servilismo. Non se pode dicir nada positivo da revolución cubana...se o fas serás convidado a marchar para alá. Pero se marchas para alá, será porque gozas dalgún privilexio, non pode ser que o fixeras porque decidiches actuar consecuentemente co que defendes. Por suposto, se Fernando Alonso ten a residencia en Suiza e Marta Sánchez en Miami, non é para evitar pagar impostos na sua querida España, e se hai algunha dúvida algunha televisión xa lle regalará algúns minutos a Marta Sánchez para que nos berre un pouco e así ficamos convencidos. É difícil ser libre neste estado do benpensar. Cada vez hai menos portos aos que arrivar, así que o noso galeón dos malditos continuará nesta deriva deliberada. Publicidade {C}{C}{C}{C} |
NOS_31185 | Presentou perante o SMAC unha demanda de conciliación contra varios exdirectivos de Novacaixagalicia | Novagalicia Banco presentou esta sexta feira perante o Servizo de mediación e arbitraxe e conciliación (SMAC) unha demanda de conciliación contra exdirectivos de Novacaixagalicia que non renunciaron ás cuantiosas indemnizacións asignadas no seu momento. "É previa á posíbel presentación dunha demanda laboral perante o xulgado do social". Cómpre lembrar que a Fiscalía contra a corrupción e criminalidade organizada presentou unha querela por un presunto delito de defraudación contra Julio Fernández Gayoso e outros 4 directivos de Novacaixagalicia (José Luis Pego Alonso, Gregorio Gorriarán Laza, Óscar Rodríguez Estrada e Javier García de Paredes). Segundo entende a fiscalía, os querelados abusaron das funcións dos seus cargos en NGB e dispuxeron fraudulentamente de bens desta ocultando ao consello de administración e ao propio Banco de España o importe das prexubilacións, a pesar de coñecer a difícil situación que atravesaba a entidade financeira. |
PRAZA_13895 | O presidente do Goberno non contesta se España pedirá o rescate á UE, logo de que o BCE diga que é unha condición para comprar débeda, o que provoca outra forte suba da prima de risco. | Nin si, nin non, nin todo o contrario. O presidente español, Mariano Rajoy, e o primeiro ministro italiano, Mario Monti, evitaron responder ao responsable do Banco Central Europeo (BCE), Mario Draghi, que aprazou unha hipostética intervención nos mercados para deter o acoso contra débeda ata que os estados pidan axuda e, xa que logo, acudan ao fondo de rescate. Pero a resposta foi diferente, mentres o xefe do Executivo italiano dicía que terían que "estudar" se o "facían ou non", o presidente do Goberno español evitaba responder. Rajoy louva as palabras de Draghi, malia que provocaron unha pésima reacción dos mercados Incluso Rajoy louvou os "aspectos moi positivos" das declaracións de presidente do BCE, malia que de seguido provocaron a suba da prima de risco e a caída do Ibex. O xefe do Executivo amosouse contento co feito de que Draghi recoñecese que a prima de risco estivese excesivamente elevada, así como que a "fragmentación" do mercado financeiro fose un problema. No entanto, non quixo dicir se ía solicitar o rescate para activar as accións que promete o BCE. E non se atreveu porque sabe o que hai. Pedir ao fondo de rescate que compre débeda no mercado secundario implica outro memorándum, máis condicións para España, ademais dunha votación do Eurogrupo. "As axudas poderían ser necesarias, quizais, pola lentitude coa que os mercados comprenden os esforzos realizados e os resultados logrados", advertira xa Monti, o que abriu unha porta á petición dun rescate do que España non quere nin oír falar porque agarda poder aplicar a solución que tamén propón Italia: un escudo contra a prima de risco, un tope a partir do cal o fondo compraría esa débeda sen que nin sequera fose necesario pedilo, sempre a cambio de aplicar as duras reformas e recortes pactados. O caso é que Mario Draghi, presidente do BCE, aclarou que definirá "nas vindeiras semanas" cal é o mecanismo para a compra de bonos, pero a esixencia de que os estados soliciten o rescate para activar a compra de débeda provocou que o Ibex caese por riba do 5% e que a prima de risco alcanzase preto dos 600 puntos, cun bono a dez anos que volveu superar o 7%. Mentres, para o líder do PSOE, Alfredo Pérez Rubalcaba, as palabras de Draghi son "unha patada ao euro no cu de España e Italia". |
NOS_45561 | O presidente da Asociación para a defensa da ría de Pontevedra asegura que o goberno español tiña preparada a prórroga antes do 20-D mais que non a fixo pública para evitar o "custe electoral" que lle carrexaría. | Continúan as mostras de rexeitamento á prórroga que o goberno español concedeu, en funcións, a Ence-Elnosa para ficar 60 anos máis na ría de Pontevedra. Após a multitudinaria manifestación do 30 de xaneiro na cidade do Lérez, o colectivo arterrorístico –como eles propios se definen—Poetarras vén de lle dedicar unha canción como xa fixera coas amizades perigosas de Feijóo. Entretanto, as organizacións e colectivos que integran a Plataforma Ence Fóra artellan novas accións para evitar que a pasteira fique na ría. Conversamos con Antón Masa, presidente da APDR. Como valorades a manifestación polas rúas de Pontevedra? Foi un acto moi positivo. Cremos que a xente demostrou o que viñamos dicindo desde hai tempo, que existe unha crispación moi grande con este asunto e fíxose sentir. Agora temos que traballar para ver como manter este clima. Que accións desenvolveredes agora? Estamos a valorar como actuar por todos os medios. As distintas organizacións que compoñen a plataforma iniciarán accións pola vía xudicial e os posíbeis recursos que se poidan presentar tamén pola vía administrativa. Mais non imos abandonar a mobilización social. Esta cuarta feira (3 de febreiro) temos unha xuntanza, mais haberá que desenvolver accións máis concretas, ora ben, con máis exixencia. Pola nosa banda, desde a Asociación para a defensa da ría imos facer cousas co gallo do Entroido como preparar un cantar de cego que levaremos ás rúas e aos bares e que non descartamos presentar ao concurso de murgas. A que cres que se debe a présa do goberno en funcións por aprobar a prórroga dunha concesión que non remata até 2018? Persoalmente teño claro que houbo présa mais tamén demora. Tiñan preparada a orde antes das eleccións do 20 de decembro mais non quixeron facelo público polo custe electoral que lles podía carrexar ou mesmo pola chegada dun novo goberno no que eles non estean. Precisan defender Ence porque é a súa empresa. Trátase dos seus propios intereses e de procurar novos postos no Consello de Administración no que, actualmente xa están, entre outras persoas, a exministra Isabel Tocino, e o exconselleiro de Medio Ambiente Carlos del Álamo. Buscan máis sillóns. "Trátase dos seus propios intereses e de procurar novos postos no Consello de Administración" Neste senso, Galiza non conta con ferramentas para contradicir a decisión do goberno español… Mentres Galiza non sexa quen de sacar de enriba o Partido Popular vai ser difícil que isto non aconteza. No Estado español aínda non hai novo goberno mais si Parlamento e pode actuar. Mesmo pode revogar a decisión. Neste senso, estamos a presionar o PSOE e Podemos para que o fagan. Desde o PSOE xa presentaron un par de iniciativas e temos claro que calquera novo executivo tería a obriga de revogar a prórroga mais tamén a Lei de Costas de 2013. Os postos de traballo da factoría están a ser empregados como argumento para defender a permanencia de Ence-Elnosa na ría. Como combinar isto coa defensa ecolóxica do territorio? Dificilmente se pode combinar. Porén, os comités de empresa trabúcanse de inimigo. Non é a veciñanza de Pontevedra ou o goberno municipal senón os empresarios. Eles tiveron tempo para solucionar o problema antes de que xurdise e non o fixeron. O que queren é facer pasta, mais non da de papel. Veremos Ence fóra da ría? Esta non é unha decisión firme e cabe a posibilidade de que non se execute. Ora ben, iso terá moito a ver coa capacidade de mobilización. Vai ser moi importante. |
NOS_8855 | En vésperas do Día internacional das persoas migrantes, que se celebra cada 18 de decembro, Sermos Galiza afonda nas características dos movementos da emigración galega actual, que teñen particularidades a partir da crise socioeconómica que trouxo a década, pero que manteñen desde hai sete décadas un destino preferente, que os diferencia dos do resto do territorio estatal: Suíza. | Os datos estatísticos sobre movementos migratorios debuxan un escenario que, nos últimos anos, e após o momento álxido da crise, tenden á "diversificación" dos perfís e a "ralentización, máis que rebaixa" das saídas desde Galiza cara ao exterior. As observacións fainas Antía Pérez Caramés, doutora en Socioloxía pola Universidade da Coruña, docente e membro do equipo de investigación en Socioloxías das Migracións Internacionais. As cifras do Instituto Galego de Estatística correspondentes a 2018 (as últimas publicados) apuntan que 11.168 persoas marcharon nese ano de Galiza ao extranxeiro e 19.198 movéronse a territorio estatal. As taxas, segundo as táboas estatais, sitúanse nas 34,7 persoas por cada 10.000 habitantes, no caso das saídas internacionais desde Galiza –cifra algo inferior á de 2017 e similar ás de 2016 e 2015– e de 49,8 por cada 10.000 habitantes no movemento interautonómico. En canto á idade das galegas migrantes, a media sitúase nos 32,79 anos no caso das mulleres e dos 35,64, no dos homes, unha franxa de "relativa xuventude". Así o define a experta, que observa dous perfís diferenciados entre as menores de 30 anos –que buscan unha vía internacional para o seu proxecto de emancipación– e as persoas maiores desa idade, cunha dimensión menos temporal da súa saída que as do grupo máis novo por proxectos vitais máis estábeis e, en moitos, casos vinculados a sectores laborais sacudidos pola crise –caso do mundo académico e investigador– ou a profesións "globais", como as enxeñerías. Reactivación pola crise "O máis singular desta nova migración, a que comeza a partir da crise, é a súa diversidade no tipo de xente que marcha. Marcha poboación autóctona, galega, pero tamén persoas inmigrantes, ou descendentes de persoas migrantes, que pola crise volven ao seu país de orixe ou marcha a un terceiro. Eses movementos, que non sempre se fan notar, tamén forman parte dos fluxos migratorios", puntualiza a investigadora, que está inmersa nun proxecto de investigación sobre esta nova inmigración. Dela destaca un destino que diferencia as persoas emigrantes galegas das do territorio estatal: Suíza. "É unha singularidade de Galiza, onde a trasfega migratoria con este país nunca se detivo. Hai movemento a partir da crise, pero se miras máis atrás, a relación migratoria é constante. Son lazos que nunca romperon desde os anos cincuenta e sesenta, que seguen vivos a través dos vínculos familiares e que coa crise se reactivan", resalta. No resto de destinos de Europa, como son Reino Unido, Francia e Alemaña, os lazos son moito máis fébeis" Consonte a esta valoración, os datos do Censo de persoas electoras residentes-ausentes que viven no extranxeiro (CERA) indica que máis dun terzo das españolas que residen en Suíza están censadas en Galiza, un total de 31.740 en 2015 (último ano rexistrado), 37,6% do total. A docente apunta que se trata "dun caso moi singular, o de Suíza", que levou ao seu proxecto investigador a facer traballo de campo no país helvético para o caso galego, mentres que para o resto de comunidades do Estado acoutouse aos destinos europeos máis recorrentes, como son Alemaña, Francia e Reino Unido. "Nestes, os lazos son moito máis fébeis, malia as vagas migratorias anteriores, mentres que en Suíza aínda é habitual ter familiares ou coñecidas", comenta Pérez Caramés. Alí, a elección non ven marcada por vinculacións persoais –agás no caso das Erasmus– senón por motivos máis relacionados con buscar destinos globais –Londres, París...– con mellor expectativa de emprego ou por cuestións idiomáticas. Unha lectura de xénero As consecuencias da crise na emigración galega ten tamén unha lectura de xénero, coa reactivación do fenómeno das au pair, mozas que marchan ao extranxeiro a coidar crianzas na vivenda da propia familia co pretexto de aprender o idioma. Segundo apunta a profesora Pérez Caramés, esta suba no movemento de mulleres "moi novas" comparte características co das mulleres inmigrantes que chegan a Galiza para realizar traballos relacionados cos coidados para a terceira idade. "Son traballos precarios, fortemente feminizados, vinculados aos coidados e bastante informais que, polo tanto, contribúen a precarizar e invisibilizar máis este tipo de empregos", observa, en alusión a que as condicións laborais son indeterminadas e as económicas, apenas permiten considerar esta ocupación un emprego. A diferenza –matiza a investigadora– está na demanda, que no caso das au pair non está centrada no coidado de maiores, e no marco regulatorio, pois as mulleres inmigrantes que se insiren no réxime de traballo do fogar teñen moi difícil regularizar a súa situación, debido ás condicións "draconianas" de España neste eido, algo que non ocorre coas mozas galegas en territorio europeo. |
NOS_16002 | O presidente da Mesa, Marcos Maceira, chámalle "recadeiro" de Feijóo a Alonso Montero mais rexeita entrar en "polémicas que non existen" co presidente da RAG. | Após as declaracións feitas polo presidente da RAG, Alonso Montero, nas que bate contra a Mesa pola Normalización Lingüística, desde a asociación aseguran que a súa implicación na defensa da lingua galega fica avalada pola "traxectoria" e "traballo" desenvolvido durante os seus 28 anos de existencia, afirmou en declaracións a Sermos Galiza o seu presidente Marcos Maceira. "Hai que criticar o goberno galego pola súa política lingüística, por non cumprir co mandato estatutario" e non entrar en "polémicas que non existen", sinalou. "Aí debería estar o foco de atención" mais "alá cada quen con quen se posiciona", acrecentou Maceira en resposta ao presidente da RAG de quen dixo é "recadeiro" do goberno de Feijóo. "Nós estamos coas persoas que queren vivir en galego", apuntou. "Temos tanto traballo por diante", dixo en relación aos dados do IGE que reflicten un grande descenso no número de falantes habituais en lingua galega, "que entrar en polémicas non ten sentido". O papel do goberno galego Para o presidente da Mesa o que cómpre é "exixir que se cumpra a legalidade". Unha tarefa que corresponde ao goberno galego, a comezar polo líder do executivo, Alberto Núñez Feijóo, e o responsábel de Política Lingüística, Valentín García. Ambos os dous pronunciáronse a pasada semana a respeito dos dados publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e quitáronlle ferro ás estatísticas. A Mesa acusa a Xunta de querer "lavar as mans como Pilatos" fronte o proceso de substitución lingüística Dunha banda, Feijóo responsabilizou "as familias" da queda no número de falantes e García afirmou que o estudo reflicte "máis cousas das que non se fala". Desde A Mesa acusan o presidente da Xunta de "lavar as mans como Pilatos" nunha situación lingüística que é "consecuencia das súas políticas". "Non cumpre a súa responsabilidade e anda a patadas coa lingua", denunciou Maceira, "aí están as leis promulgadas durante o seu goberno" como o decretazo, explicou. "Feijóo actuou sempre en contra do galego", sinalou, "o estudo corrobora que o decreto [70/2010] contribuíu ao proceso de substitución do galego". Segundo o presidente da Mesa, as afirmacións de Feijóo e máis de Valentín García reflicten que o executivo galego quere "tapar os ollos para facer que a realidade non existe" e iso, dixo, "non pode ser. Teñen que actuar". "Que fixo Política Lingüística para a normalización de usos do galego vaia adiante?", preguntouse. "Non fixo nada mais que botarlle a culpa a outros". Desde a Mesa amósanse "dispostos" a "asumir as responsabilidades que fagan falta" mesmo, sinalan, "o traballo que non desenvolve a Secretaría Xeral". Pois, din, "somos conscientes do apoio social importante" co que contan e "a el e á lingua galega nos debemos", concluíu. |
PRAZA_17840 | Casado xa fixo o traballo ó que Feijoo tiña medo, eliminar a Soraya. Ten o camiño libre para aterrar en Madrid | Ollo, pode que de forma natural as eleccións Galegas coincidan coas municipais e europeas de 2019. Os acontecementos da política estatal en relación coa extraordinaria capacidade formativa de Casado e a súa facilidade de intelecto para acurtar no tempo o que ó común dos humáns lle leva moitos anos, a súa tan potenciada formación académica, pode acabar nunha sorte de dominó que leve ó PP a ter que mirar cara un líder que consideran solvente, un Presidente chamado Feijoo. Nesa hipotética solución o "compromiso" de Feijoo con Galicia pode resolverse con unha convocatoria electoral para colocar o seu delfín en Galicia e librarse da súa propia conxura. Se o pensamos ben, foi unha xogada mestra do presidente do PP de Galicia. Casado xa fixo o traballo ó que Feijoo tiña medo, eliminar a Soraya. Ten o camiño libre para aterrar en Madrid, comento aterrar porque en AVE aínda non se pode ir. Unha chamada popular das bases a un líder para organizar o partido, iso xa pasou no PP aínda que con dedazo, quen non lembra: "nin tutelas, nin tú tías". Ó PP de Galicia esta opción pode resultar incluso tentadora, o seu músculo electoral municipal pode beneficiar ó herdeiro do rapaz dos Peares para asentarse, pola mobilización de voto local do que é aínda capaz o PP en Galicia, beneficiando a calquera opción de relevo. De todos xeitos vai resultar un caso insólito, no caso de que se produza unha investigación do Supremo sobre Casado que obrigue ó PP a mover fichas o sustituto dun político marcado vai ser un señor que sacou fotos con un dos capos máis significativos do narcotráfico, que cousas ten a vida. Mellor dito que cousas ten o PP. Claro está que esta é unha hipótese, pero pode pasar, e cómpre neste senso estar atentos a esta oportunidade, a fisura que as primarias e o congreso do PP deixou na organización popular galega está presente. Ourense vai por libre e medio Lugo está nun sector que o aparato non controla, pode o Supremo causar grandes problemas. Esta é unha oportunidade para asentar unha alternativa fiable en Galicia, cuxo obxecto non sexa botar o PP senón traballar polo país que compartimos. Este posible paso do PP, a descomposición do proxecto En Marea, que resultou ser unha sorte de xogo de tronos de mediocres políticos e a falla de líder forte no PSOE galego que non ten nada de influenza en Ferraz. Pon coma opción a unha forza galeguista que pense no progreso de todos sen deixar a ninguén no camiño. Publicidade |
PRAZA_12414 | O presidente non comparece por petición propia na Cámara dende 2010. O PP rexeitou trinta e unha solicitudes de explicacións da oposición ao xefe do Executivo dende o comezo da lexislatura. | Vinte de xullo de 2010. O Parlamento celebra un pleno extraordinario a instancias do Goberno. O punto central da orde do día é unha comparecencia do presidente da Xunta, a petición propia, para explicar "a situación económica e financeira". A exposición de Alberto Núñez Feijóo céntrase na acción do Executivo central, nos seus recortes, nos cartos que lle adebeda a Galicia e nas dificultades que lle pon á Administración autonómica para devolverlle os cartos que lle ingresou erroneamente. Esta foi, ata o momento, a última ocasión en que Feijóo acudiu ao lexislativo galego para tratar monograficamente algún asunto por vontade propia. Dende entón, só interveu no Pazo do Hórreo nas sesións de control da oposición ou no preceptivo debate de política xeral. Ata ese momento protagonizara cinco comparecencias e todas tiveran como argumento central a xestión do gabinete socialista en xeral e de José Luis Rodríguez Zapatero en particular. A primeira destas intervencións foi temperá e unha das que menos suspicacias espertou entre PSdeG e BNG. Acabado de chegar a San Caetano, Feijóo era recibido por Zapatero en La Moncloa a mediados de xuño de 2009 e, o día 23 dese mes explicaba no Parlamento galego o "alcance e contido" dese encontro, así como as liñas que guiarían a relación do novo gabinete da Xunta con Madrid. Apenas un mes despois acontecería un episodio que non se volveu repetir ata o momento. Antes de que el mesmo o fixese, o Grupo Socialista reclamaba que o presidente acudise á Cámara para abordar a negociación do novo financiamento autonómico, e así aconteceu. O 30 de xullo realizou unha detallada exposición ante o pleno sobre os criterios que guiarían ese proceso, como a construción dunha fronte de autonomías do noroeste que nunca chegou a realizarse ou a preponderancia de factores como o espallamento poboacional e a emigración. Nesa ocasión tamén houbo lugar para abondosas críticas a Zapatero por, entre outras cousas, negociar bilateralmente con Catalunya -tal e como recolle o Estatut-. Feijóo non comparece na Cámara fóra dos procedementos regrados dende xullo de 2010 Antes do remate de 2009 aínda ficaba tempo para unha terceira comparecencia, a máis crítica das que se produciran ata o momento. Xusto antes do parón de Nadal, o 21 de decembro, Feijóo subía de "urxencia" á tribuna do Hórreo para "informar do contido e alcance" da Conferencia de Presidentes, celebrada días antes en Madrid. Nesa xuntanza o titular da Xunta, como o resto de presidentes autonómicos do PP, rexeitou asinar o paquete de medidas contra a crise que lles propuxera Zapatero e a comparecencia estivo, de novo, inzada de reproches ao socialista. Neste contexto e coa crise e o paro galopando con maior intensidade nunca chegarían as que polo momento foron as dúas últimas comparecencias. Apenas dúas semanas despois de que o Congreso dos Deputados aprobase, o 10 de maio de 2010, o paquete de recortes para evitar a intervención formal das finanzas españolas por parte da Unión Europea, con medidas como a baixada de soldos aos funcionarios ou a suba do IVE, Feijóo achegábase ao Parlamento para falar da repercusión que esas medidas terían en Galicia. Nunha liña moi semellante, antes do remate dese mesmo período de sesións, o 20 de xullo celebrábase o devandito pleno extraordinario sobre a crise. Tal e como figura na Memoria de Actividades do Parlamento, nin en 2011 nin no que vai de 2012 Feijóo acudiu á Cámara fóra das ocasións previstas e regradas. |
NOS_40160 | Entrevistamos o actor en 'máis', caderno de verán | Un actor tan recoñecido coma vostede colle vacacións durante a época estival? Este verán haberá moito traballo. Estamos ensaiando un espectáculo novo de Chévere que estreamos en setembro polo que durante o verán pasaremos polas distintas fases de ensaio. Quizais polo medio si colleremos un par de semanas libres. A Covid-19 continúa a truncar algún plan? Agora xa non tanto. Tivemos bastantes actuacións de Chévere pola Galiza e tamén por todo o Estado co espectáculo Curva España. Ben é certo que se reduciu moito a capacidade dos teatros, o que para min semella absurdo cando nas igrexas e en demais espazos a porcentaxe da capacidade era superior, pero conseguimos facer as funcións que tiñamos previstas. Tamén se reduciu a capacidade no cine pero a xente continúa a ir ver a película de Cuñados. Coido que estamos axudando a volver a esa suposta normalidade, agora que a situación xa mellora. Aínda que o verán se presente con moito traballo, que lle gusta facer cando ten algún momento libre? Pois un pouco de todo. A min gústame moito cultivar na horta, é case unha terapia, mais tamén cultivar os aspectos relacionados coa cultura. Algunhas por cuestións profesionais e outras por gusto persoal, pero sempre desfruto da creación en calquera dos seus ámbitos. Coido que é unha marabilla retomar as enerxías colectivas e socioculturais. Despois da pandemia, agora prefiro optar por un consumo máis social. Hai algún lugar ao que lle guste ir durante as vacacións? Lira por suposto, aínda que desfruto moito as aventuras que poidan xurdir espontaneamente, sobre todo pola Galiza. Gústame calquera lugar, non podo especificar ningún. Hai algún grupo de música que lle gustaría recomendar para descubrir este verán? Si, recomendaría a Grande Amore, un grupo de Burela co que coincidín facendo unha curta que aínda está por ver a luz. Sorprendeume moi para ben esta súa faceta musical. Eu consumo e desfruto da música, da literatura e sobre todo das artes escénicas, e procuro sempre botar man da cultura máis fresca posíbel evitando os conxelados ou enlatados. |
PRAZA_15713 | Rueda accede a estudar o cambio de modelo dos parques comarcais de bombeiros a proposta dos presidentes das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra: "A xestión directa é a máis axeitada", din os socialistas. | "É mellor e máis barato". "Permite un servizo das 24 horas". "Funciona perfectamente". "Paga a pena seguir apostando por este sistema". Son só algunhas das innumerables declaracións coas que Xunta e PPdeG, pero tamén antigos dirixentes socialistas como Salvador Fernández Moreda, defenderon durante anos a xestión privada dos parques comarcais de bombeiros, que se comezou a implantar nos últimos tempos da etapa de Fraga como vía para estender un modelo profesional de atención ás emerxencias que fose substituíndo paulatinamente o voluntariado. Estes 24 parques dependen de consorcios provinciais de bombeiros, participados pola Xunta pero tamén polas deputacións, nas que agora os populares están en minoría. Nesta conxuntura, o Goberno galego di estar disposto a abrirse ao cambio de modelo que, agora si, defenden os tres presidentes socialistas. O vicepresidente da Xunta, de quen dependen as competencias en materia de emerxencias, recibiu o pasado martes en San Caetano aos titulares das institucións provinciais dando lugar a unha foto inédita: un único representante do PP; o ourensán José Manuel Baltar, fronte a tres do PSdeG: Valentín González Formoso, da Coruña, o lucense Darío Campos e Carmela Silva, titular da Deputación de Pontevedra. "Como socialistas é a nosa respondabilidade estudar dende o punto de vista xurídico e económico se é viable recuperar o modelo de xestión pública", indicou o presidente coruñés. E disque Rueda accedeu. O Goberno galego defendeu ata agora a xestión privada como a máis adecuada O tamén conselleiro da Presidencia, nun ton máis flexible que nas diversas intervencións parlamentarias que protagonizou ao respecto, sinala que na actualidade si existe disposición na Xunta para "estudar a posibilidade de pasar de indirecta a directa a xestión dos parques comarcais de bombeiros". Isto é, que estes parques deixen de estar xestionados polas empresas privadas contra as que os bombeiros levan anos mobilizándose por, segundo manifestaron en diversas protestas, non garantir condicións de seguridade axeitada, precarizar a profesión ou mesmo provocar a descoordinación en emerxencias graves, caso por exemplo do accidente do Alvia na parroquia compostelá de Angrois. "Como socialistas é a nosa responsabilidade estudar se é viable recuperar a xestión pública", din os presidentes da Coruña, Lugo e Pontevedra Neste contexto, indica a responsable da Deputación pontevedresa, Carmela Silva, "os tres presidentes socialistas expuxémoslle ao vicepresidente a necesidade de que se analice, con serenidade e en profundidade, a xestión directa dos parques de bombeiros, pois nós defendemos os servizos públicos". O de bombeiros, abonda, é un "servizo público básico" que atende necesidades de "interese xeral". "O vicepresidente -agrega Darío Campos- non se nega á posibilidade da xestión directa, que é o que nós lle propuxemos, sempre que o custe non sexa superior ao da xestión indirecta" e "por iso lle trasladamos a necesidade de que todas as administracións fagamos uns estudos detallados, non só sobre o prezo, senón sobre o que isto significaría para o persoal que traballa nos parques de bombeiros". O persoal do servizo denunciou en diversas ocasións carencias de seguridade e descoordinación entre as empresas concesionarias Eses estudos, precisamente, é o que as cinco institucións acordaron realizar. Durante o vindeiro mes solicitarán "informes xurídicos e económicos" para "avaliar" o posible cambio de xestión. Segundo Rueda "esta non é unha cuestión de ideoloxías", toda vez que o actual modelo "se mantivo" mentres "pasaron nestes anos responsables de distintas formacións" polos correspondentes gobernos". Os informes, asegura, terán en conta a necesidade de "salvagadar o emprego, xa que o paso" á xestión pública traería consigo "previsiblemente, a apertura dun proceso de selección no que non pode estar garantida a permanencia dos seus postos da totalidade do persoal". Para sindicatos como a CIG a teimosía en manter o modelo de xestión privada responde unicamente a "criterios políticos e económicos" que "non teñen en conta a eficacia e a calidade do servizo". O modelo galego é "único no Estado" e "non garante a seguridade da cidadanía, xa que nos atopamos con parques de bombeiros con tres efectivos con quenda e mal situados xeograficamente", resumen. |
NOS_3563 | Demandan melloras laborais e a fin das discriminacións que sofren nas súas condicións con respecto ao persoal do resto do Estado | A terceira xornada de greve no sector da administración de xustiza en Galiza volveu ter un seguimento masivo. Por volta de 90% dos traballadores e traballadoras, segundo os sindicatos, secundaron o paro, medida coa que se demandaba melloras laborais e a fin das discriminacións que sofren nas súas condicións con respecto ao persoal do resto do Estado. Nunha mobilización que cualifican de histórica no sector, arredor de 2.000 persoas manifestáronse en Santiago ao berro de "Rueda escoita, a xustiza está en loita". O seguimento no conxunto do país estivo por riba de 90%, superándose esta cifra en áreas como a de Vigo onde se acadou 98% do seguimento e Santiago e Ourense, onde 95% do persoal foi greve. Así mesmo, calcúlase que na xornada non se puideron celebrar máis de 600 vistas xudiciais. Á espera do que aconteza nos vindeiros días, as organizacións sindicais manteñen a convocatoria de folga indefinida a partir do 7 de febreiro. |
NOS_39871 | "José Manuel Baltar prometeume unha praza fixa se mantiña relacións sexuais con el e perante a necesidade, accedín" afirma a denunciante na exclusiva que publica 'El Diario'. | Unha muller ourensá denunciou perante a Fiscalía o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, por ofrecerlle en 2010 un posto de traballo fixo na institución a cambio de manter relacións sexuais con el. Así informa 'El Diario' na exclusiva que publica esta terza feira e que xa provocou que Baltar anunciase o inicio de "todas as accións xudiciais" pola publicación da nova. A denunciante recoñece que accedeu "a manter relacións sexuais" con Baltar. "Citoume na habitación 505 do Hotel Francisco II de Ourense", afirma, engadindo que o agora presidente da Deputación -na altura dos feitos non o era, ese posto ocupábao seu pai- propúxolle novos encontros, aos que ela se negou. "Citoume na habitación 505 do Hotel Francisco II de Ourense" Esta ourensá explica no escrito que publica o dixital 'El Diario', que de 2003 a 2009 traballou na Deputación e que por iso coñece a José Manuel Baltar e o seu pai, José Luis Baltar. Afirma que tamén fixo traballos para o PP "axudando en congresos e outros actos". Afirma ter gravacións e SMS de Baltar que corroborarían a súa denuncia. "Foi un abuso da miña situación de necesidade para se aproveitar sexualmente de min". Após o encontro sexual, afirma 'El Diario', Baltar incumpríu o seu compromiso e nunca chegou contratar a esta muller. É aí cando esta deu inicio a unha etapa de anos a exixir que Baltar cumprise o que prometera, gravando as conversas nas que lle exixía iso. Demisión A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz afirmou que "unha persoa sobre a que pesa unha acusación tan grave de atentado contra a liberdade sexual dunha muller, non pode estar nin un minuto ao fronte dunha institución". Pola súa parte, a deputada nacionalista, Carme Adán botou man da Lei Galega para a Prevención e Tratamento de Violencia de Xenéro que recolle no artigo terceiro "o acoso sexual" como unha forma de violencia contra as mulleres, "violencia machista", polo que reclamou que, de maneira inmediata, a Vicepresidencia e en concreto a Secretaria xeral de igualdade, "inicie unha investigación de oficio" para coñecer o alcance da denuncia, e de ser o caso, que "esixa a dimisión do Sr. Baltar". Para Anova, "a prevaricación de Baltar vese sumamente agravada por un presunto caso de violencia sexual ligada ás relacións de poder", e que "Baltar se aproveita da súa situación de superioridade, exercendo o máis rancio machismo". Por iso considera que o presidente da deputación debe demitir. Desde o PSdeG pediuse a "convocatoria urxente" da xunta de portavoces da Deputación para que Baltar "dea explicacións". O grupo dos socialistas na institución provincial considera que de ser certa a nova, Baltar "non debería seguir un minuto máis" á fronte da Deputación. |
NOS_47894 | Bàscara (Alt Empordà) converteuse esta fin de semana en "territorio liberado" da República catalá, unha condición proclamada por activistas do grupo Desobediencia Civil. | Bàscara (Alt Empordà) converteuse esta fin de semana en "territorio liberado" da República catalá, unha condición proclamada por activistas do grupo Desobediencia Civil, que instalaron "pasos fronteirizos" nas entradas do municipio. Aos vehículos que pasan entréganselles un bando municipal do Concello republicano e un pasaporte catalán. A Galiza, Catalunya e Euskadi son os territorios con menos "sentimento identitario español" Tamén acuñaron unha moeda, o cat, e colgaron carteis á fachada da casa da vila que mostran o rexeitamento contra a monarquía e contra a bandeira española, da cal din: "Esta bandeira ondea por imperativo legal. Respectámola, pero non é a nosa". Dous dos activistas, ademais, saíron ao balcón da casa da vila e proclamaron Bàscara "territorio liberado". "Fai trece anos, uns irredutíbeis de Arenys de Munt organizaron as históricas consultas pola independencia, que suporían un punto de inflexión e un efecto dominó por todo o territorio que axudaría a conducir o movemento independentista cara ao Primeiro de Outubro", dixeron. Cunha vontade similar, os activistas pretenden comezar outro movemento independentista desde a base para recuperar a ilusión e exercer un control efectivo do territorio coa desobediencia civil. "Despregamos unha nova estratexia de confrontación co ocupante que sexa capaz de superar o embate definitivo co Estado", dixeron. Dous activistas inician unha folga de fame en Vic na defensa do catalán como lingua vehicular no ensino De acordo con isto, dixeron que liberaban a vila de Bàscara, a cal queda baixo control da República catalá: "Xa non estará sometida á lei española. Rexen os dereitos humanos e as normas internacionais até aprobar unha lexislación catalá propia". "Quedan expulsadas, e non se permite a entrada, as forzas de ocupación, elementos de tiranía e autoritarismo do Estado. Levantámonos, como fixeron xeracións anteriores durante os últimos 300 anos, para reclamar a soberanía da nosa xente e a liberdade", estabeleceron. A partir de hoxe, dixeron, empeza un período de liberación nacional en que piden que cada pobo se autodetermine e se adhira á República catalá. "Empeza un novo ciclo cara á soberanía territorial", declararon. Actividades durante toda a fin de semana Ás 9 horas empezou un pasacalle, que culminará cun mural independentista, e ás 10,30, unha formación sobre desobediencia. Ás 12 fíxose un acto cultural cunha lectura de poemas por parte do actor Enric Majó e representarase a obra de teatro 'A tigresa', co actor Manel Barceló. Despois da comida popular, actuarán o humorista Toni Albà e a cantante JBalas, e ás 18 horas os xornalistas Quico Sallés e Jordi Panyella e o fotógrafo Albert Salamé impartirán unha charla sobre soberanía territorial. Ás 22 empezarán as actuacións musicais, con concertos de Perdidos de Santo Esteve de Roures, Ruks, Pirat's Sound Sistema e Raso e kurt. Robles xustifica na Cámara a espionaxe e forzas nacionalistas reclaman a súa dimisión O domingo terán lugar competición deportivas e unha charla sobre o debate constituínte. Despois de comer, as xornadas acabarán cunha charla con represaliadas independentistas e actuacións musicais. |
NOS_33158 | As cabezas de lista da formación pola Coruña, Antón Gómez-Reino, e Pontevedra, Yolanda Díaz, presentaron este sábado en Compostela un paquete de 850 medidas "para a maioría social do país", o programa co que Galicia En Común se presenta ás próximas eleccións xerais do 10 de novembro. | Díaz e Gómez-Reino reivindicaron que se Galicia en Común e Unidas Podemos consolidan e reforzan a súa presenza no Congreso, "España terá garantido un goberno de progreso que asegure que se fan políticas ao servizo da cidadanía galega". "Quero presumir de que moitos avances que se fixeron nestes tempos levan a marca propia de Galiza. Agora queremos recuperar o subsidio de desemprego para maiores de 52 anos, subir outra vez o salario mínimo e os permisos iguais e intransferibles para pais e nais, garantir unhas pensións dignas", destacou Díaz durante a rolda de prensa, segundo recolle o seu partido nun comunicado. Pola súa banda, Gómez-Reino asegurou que o de Galicia en Común "non é só un programa electoral", senón que é un "percorrido de moito tempo traballando nas institucións, que reúne diversos documentos elaborados por expertos e que conclúe con 850 medidas para mellorar a vida da xente". Insistiu en que se trata dun programa "construído desde Galicia para gobernar o Estado" coa vontade de xerar "dereitos e estabilidade" e de ser un "elemento fundamental de avance democrático" para o país. O programa está dividido en catro grandes apartados: 'A xente no centro das políticas: emprego, protección, servizos públicos e benestar como dereitos cidadáns básicos'; 'Transformar o modelo produtivo: máis riqueza e mellor repartida, avanzando na transición enerxética'; 'Máis democracia reforzando os dereitos e as liberdades', e 'Reformar o modelo de Estado'. |
NOS_52952 | As Xornadas desenvólvense esta semana. | Tres días de diálogo e debate nunhas xornadas que queren ser un foro global arredor das relacións entre Galiza e China, no marco do diálogo Unión Europea-China e a Axenda 2030 de Nacións Unidas. Tres xornadas nas que participarán investigadoras e analistas de entidades coma a Academia de Ciencias Sociais da China, o Real Instituto Elcano, o Instituto de Oriente (Portugal), o Foro Macau, Cátedra China, o Centro de Estudos e Investigación sobre Asia Oriental (UAB), a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en China ou a Asociación de Galegos en China, entre outras. Tal e como sinala o Igadi (Instituto galego de análise e documentación internacional) as Xornadas produciranse tamén no contexto da volta ao Parlamento da Galiza "para a súa aprobación do proxecto da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento". Así as cousas, explican, "o papel da diáspora galega na China, as relacións de Galiza co mundo da lingua portuguesa (oficial en Macau), o papel das nosas cidades na proxección da Galiza global, ou o diálogo final na última sesión das Xornadas, o venres 16 de outubro ás 18:00, entre a Rede Galicia-China identificada polo informe do IGADI no marco do proxecto, aspiran a poñer enriba da mesa as potencialidades dunha acción exterior de Galiza con vontade de retorno para a nosa sociedade". O proxecto "O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente-Occidente" naceu da crenza de que Galiza "debería poñer en valor o seu capital exterior, simbólico e operativo, e que o diálogo entre os Camiños a Santiago e a Ruta da Seda ofrecía no marco do S.XXI un espazo ideal para impulsar unha maior coordinación e maior coñecemento mutuo con China, así coma unha plataforma con forte valor simbólico para posicionar o selo exterior de Galiza". As Xornadas poñen punto final á primeira fase do proxecto "O Xacobeo e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente-Occidente" (iniciado o 1 de novembro de 2019). |
NOS_33326 | Este sábado día 2 Timbila Nuzimba e Uxía darán un concerto en homenaxe ao artista galego Fran Pérez, Narf. O encontro está organizado pola concellaría de cultura de Cambados e terá lugar na Biblioteca Municipal Luís Rey ás 20:00h. | A idea deste concerto é conmemorar un encontro similar que tivo lugar o ano pasado durante a Festa do Albariño no que Narf e Uxía actuaron conxuntamente. O concelleiro de cultura sinala que o obxectivo é lembrar ese espectáculo que en Cambados recordan con cariño e homenaxear ao artista. A banda Timbila Nuzimba tocou en varias ocasións con Narf, de feito, foi con eles con quen actuou no seu último concerto. "Quixemos combinar a presenza de Uxía e a do grupo que tocou con el no seu último concerto", afirma Víctor Caamaño, concelleiro de cultura de Cambada. O concerto terá lugar na Biblioteca Municipal Luís Rey de Cambados ás 20:00h, mesmo espazo e horario que o do ano pasado. |
NOS_28259 | A cita en Riazor congregará á dirección nacional, a responsábeis políticos e á militancia, incluíndo nomes que formaron entón e forman parte da organización así como novas incorporacións. | O Bloque Nacionalista Galego (BNG) celebra este domingo o 40º aniversario da súa fundación no Frontón de Riazor, que tivo lugar o 25 e o 26 de setembro de 1982, cun acto político centrado no presente e que mira ao "futuro". Trátase dun dos actos centrais deste 40º aniversario que o BNG celebra como segunda forza política no Parlamento da Galiza tras as eleccións de 2020, capitaneado por Ana Pontón como portavoz nacional. Esta cita vén precedida da colocación dunha placa conmemorativa no propio frontón e da presentación dun documental sobre a fundación da organización frontista e un libro recompilatorio dos fitos históricos nestes 40 anos. Fontes nacionalistas explicaron que se trata dun acto político de "presente e futuro", ao estilo dunha convención nacional, polo que o BNG fuxe dunha foto de reencontro, como, en parte, tivo lugar na presentación do documental. O traballo audiovisual impulsado pola Fundación Galiza Sempre, que preside Rubén Cela, contou co veterano político Xosé Manuel Beiras como un dos impulsores da fronte que el mesmo levou ao seu teito electoral no que a votos se refire (395.435) en 1997, cando o BNG deu o primeiro 'sorpasso' ao PSOE de Abel Caballero (hoxe en día alcalde de Vigo) nunhas autonómicas e ademais Camilo Nogueira se fixo co escano en Europa. Reencontro Precisamente, tanto Beiras como Camilo Nogueira reencontráronse na presentación do documental da fundación do BNG, deixando unha foto de reencontro xunto a outros políticos nacionalistas como Alfredo Suárez Canal, Encarna Otero e a actual líder do Bloque. Así as cousas, a cita en Riazor congregará á dirección nacional, a responsábeis políticos e á militancia, incluíndo nomes que formaron entón e forman parte da organización así como novas incorporacións. Tras a benvida do portavoz municipal, Francisco Jorquera, o acto contará cunha participación colectiva, cunha decena de intervencións de militantes que concluirá coa intervención da portavoz nacional do BNG, formación que conta agora con 19 deputados na Cámara galega, un representante no Congreso -Néstor Rego- e unha eurodeputada -Ana Miranda. Libro recompilatorio En días pasados, a formación nacionalista tamén deu a coñecer o libro dos 40 anos do BNG -obra de Manuel Anxo Fernández Baz- que recolle episodios desde o encarceramento en 1989 de Francisco Rodríguez (acusado da queima dunha bandeira española en 1984, feitos que "nunca se puideron demostrar"), pasando pola "revolta" en Allariz protagonizada por Anxo Quintana, que foi alcalde e anos máis tarde alcanzou a vicepresidencia da Xunta, até a década de "reflexión" que se abriu tras a asemblea de Amio en 2012 e o novo teito electoral en escanos (19) das eleccións de 2020. No documento tamén se repasan as 'loitas' sociais nas que se viu implicado o BNG, desde a defensa da sanidade pública, a feminista ou momentos tráxicos como o desastre do Prestige. Tamén se lembra o accidente do Alvia en Angrois en 2013, ano no que o BNG suspendeu a súa manifestación o 25 de xullo polo tráxico suceso. |
PRAZA_13147 | Máis de 350.000 persoas vense obrigadas en todo o Estado a renunciar a parte da súa xornada laboral para atender familiares en situación de dependencia. A maioría fano por motivos económicos. | Ten algo que ver a Lei de Dependencia coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres? Teno, e moito. Dende que botou a andar no ano 2007 son múltiples as interpretacións e análises sociopolíticas que vinculan directamente o correcto desenvolvemento desta normativa coa garantía dos dereitos das mulleres e, polo tanto, o seu retroceso coa imposición de barreiras para que poidan desenvolver a súa actividade persoal e laboral con normalidade. Así, por exemplo, o Consello Económico e Social alertaba en 2011 de que, co obxectivo de "aforrar" en servizos públicos a Lei de Familia da Xunta tentaba devolver as mulleres a "roles tradicionais" como o coidado de nenos, maiores e doentes. O INE vén de lle poñer cifras a esta situación nunha das súas vertentes fundamentais, a laboral. Máis do 95% das persoas que se ven forzadas a traballar só a tempo parcial para poder coidar familiares en situación de dependencia son mulleres. Despois de peneirar os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) dos últimos sete anos o instituto estatístico español permite coñecer que ata 359.500 persoas están "ocupadas a tempo parcial porque coidan a persoas dependentes. Delas, 342.400 son mulleres. Aínda que o número de varóns case se multiplicou por catro dende o inicio do análise -dous anos antes da existencia da Lei de Dependencia- a diferenza segue a ser abismal. Así, en 2005 ata 292.300 mulleres deixaban parte do seu traballo para atender familiares en situación de dependencia, xa sexa anciáns ou nenos, mentres que só o facían 4.400 homes. En 2011 -último dato dispoñible- só 17.100 das persoas coidadoras tiñan sexo masculino. O 55,9% das mulleres que renuncian a parte do seu traballo para seren coidadoras fano "por non haber ou non poder custear os servizos axeitados" A importancia das axudas públicas, xa sexa en forma de achegas económicas ou de prestación de servizos, fica tamén confirmada nos motivos que aluden tanto mulleres coma homes á hora de xustificar a necesidade de traballaren a tempo parcial. O 55,9% das mulleres que non pode traballar a tempo completo para exerceren de coidadoras fano "por non haber ou non poder custear os servizos axeitados" para o coidado de nenos, adultos enfermos, persoas con discapacidade ou maiores. No caso dos homes esta porcentaxe sobe ata o 70,7%. Outro dos datos máis relevantes do estudo do INE é o vinculado á idade dos coidadores e coidadoras que renuncian a parte do seu traballo fóra da casa. Dos máis de 350.000 ata 98.300 teñen máis de 50 anos e 39.200, máis de 60. Mentres, apenas 78.000 baixan dos 50. Así as cousas, é posible afirmar que unha parte nada desprezable destas persoas que suplen as prestacións da Lei de Dependencia e normas semellantes serán beneficiarios potenciais destes servizos públicos en poucos anos. |
PRAZA_8663 | É unha iniciativa do Observatorio da Mariña pola Igualdade froito de dous anos de traballo. Está composto por 1000 preguntas, entre as que se poden atopar un bo número referidas a mulleres galegas | O Observatorio da Mariña pola Igualdade vén de presentar o seu Trivial Feminista, froito de dous anos de traballo e composto por 1000 preguntas, entre as que se poden atopar un bo número referidas a mulleres galegas. O obxectivo deste proxecto é "visibilizarmos e pórmos en valor as achegas e logros das mulleres de distintos recantos do planeta e de distintos períodos históricos, denunciando a súa frecuente marxinación en todos os eidos do coñecemento humano e das sociedades". O obxectivo deste proxecto é "visibilizarmos e pórmos en valor as achegas e logros das mulleres de distintos recantos do planeta e de distintos períodos históricos, denunciando a súa frecuente marxinación en todos os eidos do coñecemento humano e das sociedades" O resultado acadado "foi posíbel grazas ao traballo inicial do profesorado e alumnado de distintos centros mariñáns, pois foron elas e eles quen dedicaron horas de titorías a investigaren desde unha perspectiva feminista sobre as Ciencias, a Xeografía e Historia, a Arte e Literatura, o Deporte ou a Cultura e Espectáculos", como un primeiro paso para discorreren as preguntas e respostas deste Trivial Feminista. No ano 2010 o Observatorio levou a cabo o estudo Actitudes de xénero no profesorado e alumnado da Mariña. Claves para unha escola coeducativa, no que se evidenciou "a necesidade de pór en marcha actividades nas que alumnado e profesorado se implicasen dun xeito claro, e a través das cales se puidese afondar no coñecemento do feminismo e das achegas das mulleres de todo o mundo ao desenvolvemento das sociedades ao longo do tempo", segundo as súas responsables. Na súa elaboración participou alumnado de secundaria dos Institutos de Educación Secundaria da Mariña O Trivial Feminista está composto por 200 tarxetas con 1000 preguntas e respostas: 200 de Ciencias, 200 de Xeografía e Historia, 200 de Arte e Literatura, 200 de Deportes e 200 de Cultura e Espectáculos, e na súa elaboración participou alumnado de secundaria dos Institutos de Educación Secundaria da Mariña, concretamente o IES de Alfoz, IES de Foz, IES Perdouro e IES Monte Castelo de Burela, IES Dionisio Gamallo Fierros e IES Porta da Auga de Ribadeo, IES Marqués de Sargadelos de Cervo, IES San Rosendo de Mondoñedo, IES Vilar Ponte de Viveiro e IES Illa de Sarón de Xove. Entre as preguntas atopamos, por exemplo, En que vila da Mariña lucense naceu a artista Maruxa Mallo en 1902? (Viveiro); Como se titula o libro co que Eva Moreda gañou o X Premio de Narracións Xuvenís Rúa Nova no ano 1997? (Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota); Que poeta, filóloga e ensaísta nacida en Ribadeo tivo que figurar como subdirectora (e non directora) da revista Nordés, polo feito de ser muller? (Luz Pozo Garza); En que distancia foi tres veces campioa mundial a atleta ribadense Ana Ferradás? (100 km); Que vila lucense organizou en 2011 a Copa de España de Fútbol Sala Feminino? (Burela) ou Que música galega creou no ano 2000 o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín? (Ugia Pedreira). O deseño e a maquetación do Trivial Feminista correu a cargo dos mariñáns Marcelino Cageao e Diego Núñez. O xogo ten un prezo de 40 euros (35 euros para soci@s do Observatorio) e xa se poden facer reservas a través do correo [email protected] ou no teléfono 627.037.668. |
PRAZA_20382 | Cristina Pato, Justo Beramendi, Xosé Ramón Gayoso, o Oceanográfico de Vigo e o Grupo Nove recollen os galardóns no trixésimo terceiro aniversario do regreso dos restos de Castelao. O presidente da Xunta mantén no acto que o Estatuto do 36 "non puido aplicarse debido á guerra fratricida entre nós" | Un ano máis, en Bonaval, o templo ao que como recinto alleo á Igrexa chegaron os restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao o 28 de xuño de 1984 e que segue a acoller o Panteón de Galegos Ilustres aínda que dende hai case unha década a Xunta e demais autoridades civís non poida dispoñer del sen permiso do Arcebispado de Santiago. O histórico recinto compostelán volveu acoller este mércores a entrega das Medallas Castelao, os galardóns outorgados polo Goberno galego que desta volta tiveron como pano de fondo discursos cheos de contrastes, dende a apelación a pular por unha Galicia como "nación orgullosa dos seus valores", en verbas de Cristina Pato, ata críticas máis ou menos implícitas do presidente da Xunta ao proceso soberanista catalán ou á nova dirección do PSOE. O discurso da gaiteira ourensá foi o máis emotivo dos escoitados no acto no que tamén foron distinguidos o historiador Justo Beramendi, o presentador da TVG Xosé Ramón Gayoso, o Oceanográfico de Vigo e mais o Grupo Nove de cociñeiros. Entre citas do Sempre en Galiza Pato reivindicouse como unha "migrante" a medio camiño entre Galicia e América. "Hai unha forza que nos empurra cara ao mundo e outra que nos xungue á terra", citou para homenaxear os "emigrantes do pasado" e o seu traballo por "manter viva a nosa cultura", pero tamén para reivindicar o desexo de "espertar nunha Galicia na que a nosa cultura, o noso xeito de pensar, as nosas artes e a nosa filosofía sexan o día a día nas escolas", un "movemento de amor ao noso, de revalorización colectiva". O país, sinalou a tamén pianista, ten unha "identidade cultural tan poderosa como a muller galega, como a miña nai, como as viúvas de vivos e mortos" e por iso di desexar vela como esa nación orgullosa dos seus valores" na que, coida, aínda están vixentes as reflexións de Castelao no discurso Alba de Groria. "Unha dáse conta de que as cousas non cambiaron tanto ou cambiaron, pero non tanto", dixo. De ligazóns entre pasado e presente falou tamén Beramendi, para quen Castelao "encarnou en grao máximo as cualidades que deberían caracterizar a todo persoeiro político: honestidade e coherencia, defensa da identidade propia do pobo galego, da súa liberdade e do seu progreso, loita contra as inxustizas sociais e sacrifico persoal ata onde sexa necesario". Dende o agradecemento pola Medalla o historaidor coida que actos coma este deberan servir, "máis que para alimentar as pequenas vaidades, para que non esquezamos os valores e as políticas que precisa o noso país se quere progresar". Para o televisivo Xosé Ramón Gayoso a Medalla Castelao supón "un peso profundo de alegría e responsabilidade". El, asegura, recolle a distinción como un recoñecemento tamén "aos meus compañeiros" do equipo do Luar e ao conxunto dos medios públicos de comunicación galegos, "que veñen desenvolvendo unha tarefa fundamental para o noso país". "Unha das necesidades fundamentais" da sociedade é a comunicación e tamén o vía así Castelao "coa súa palabra, coa súa escrita, cos seus debuxos e a súa actitude de vida", considerou dende a aspiración de "ser merecente de gañar a dignidade de ser chamado un dos bos e xenerosos fillos de Galicia". Discurso de Feijóo Feijóo lembrou o Estatuto do 36" que, dixo "non puido aplicarse debido á guerra fratricida entre nós" A aposta por "difundir a cultura gastronómica de Galicia dentro e fóra" do país, lanzada polo presidente do Grupo Nove, Miguel Ángel Campos, e o traballo a prol do medio mariño como principal "contribución á alma de Galicia", en verbas de Victoria Besada, directora do Oceanográfico vigués, concluíron a quenda das persoas galardoadas nun acto no que o titular da Xunta, ao contrario que noutras ocasións, si fixo referencia no seu discurso á coincidencia na data co aniversario do plebiscito do Estatuto de 1936, "un Estatuto de Autonomía que, como se sabe, debido á guerra fratricida entre nós non puido aplicarse", dixo, malia á inexistencia de fronte de guerra en Galicia e malia que os impulsores do proceso autonomista foron albo dunha durísima represión dende os primeiros días do golpe franquista. "As noites craras de luar de Rosalía de Castro teñen dende hai anos un novo significado da man de Xosé Ramón Gayoso, a quen lle debemos unha aposta precursora polo aforro enerxético co seu apaga o candil" Na liña doutras entregas das Medallas Castelao, Feijóo aproveitou o evento para lanzar reflexións a respecto da política actual, neste caso para censurar o "proteccionismo" no mundo da "globalización" e para considerar "un erro" abordar "un debate nominal" sobre o rango de Galicia como nacionalidade histórica. "Nada gañaría o noso país se o cambio onomástico fose acompañado dunha ruptura dos vencellos solidarios, é dicir, da ruptura da xustiza social e territorial", afirmou. O presidente lanzou estas reflexións nun contexto no que, "grazas a xente" como as persoas galardoadas coas Medallas Castelao, Galicia "ten cda ano un 28 de xuño no que non hai oportunidades perdidas nin esperanzas rotas", senón homenaxes a profesionais como os do Oceanográfico, unión "a través das fronteiras" coa música de Cristina Pato, ou un "novo significado" para as "noites craras de Luar de Rosalía de Castro" da "man de Xosé Ramón Gayoso, a quen lle debemos tamén unha aposta precursora polo aforro enerxético co seu apaga o candil", dixo antes de atribuír ao Luar a ruptura "da falsa dicotomía entre televisión popular e televisión de calidade". |
NOS_1363 | A billarda galega ten unha cita este sábado en Abegondo. Será nun torneo que reunirá ás seleccións galegas e que poderá verse pola segunda canle da TVG. | A contorna do encoro de Beche, en Abegondo, acollerá este sábado unha xornada deportiva moi especial dedicada aos deportes tradicionais. Comezará pola tarde, cun torneo de chave que disputarán, entre as 15.30 de 17.30 horas os equipos de Bergantiños e Arteixo. Algo máis tarde, entre as 20 e as 21 horas, a protagonista será a billarda cun enfrontamento entre as seleccións Norte e Sur da Galiza. Andrés Garrido, 'Che': "A billarda ten aplicación en eidos como as matemáticas" O sistema escollido para este primeiro campionato, que será retransmitido en directo pola TVG2, contará cunha fórmula innovadora. Comezarán competindo por parellas e golpeando as dúas persoas de cada equipo unha soa billarda. Así, cada selección formará catro parellas mixtas, ou sexa, un xogador da categoría absoluta e unha xogadora da categoría feminina ou da categoría infantil. Estas xogadoras e xogadores conseguiron a súa praza na selección despois de contabilizar as puntuacións das últimas cinco xornadas da Liga, tanto na Conferencia Noroeste como na das Rías Baixas. Catro prazas son da categoría absoluta, dúas prazas da feminina e outras dúas prazas da infantil. A orde de golpeo é alternativa. A xogadora ou xogador da parella dá o primeiro golpe e o segundo ten que dalo a outra xogadora ou xogador da parella. En cada carreira haberá un enfrontamento entre dúas parellas, unha do Norte e outra do Sur. Unha vez finalizada esa carreira entrarán en xogo outras dúas parellas. Cada carreira terá a puntuación de vitoria para Norte ou Sur, ou empate. Sumaranse os puntos de cada enfrontamento e a selección que máis ptos consiga ganará o Campionato e levará o Trofeo para o seu territorio. A Televisión Galega retransmitirá encontros ao vivo de chave e billarda Dúas seleccións preparadas para competir Fontes da Federación Galega de Deporte Autóctono sinalan que os equipos fan os seus últimos axustes tácticos técnicos e humanos. Así, o Sur ten definidas as parellas e "nada pode impedir a nosa vitoria sobre o céspede de Beche", afirmaba onte o seleccionador Charri. Pola outra beira, a selección do Norte anda con dúbidas e a seleccionadora Auri, xa fixo o primeiro troco na confección das parellas e tivo que substituír a Óscar Ponte e decantouse por Roi de APB. En relación ao equipo arbitral, desde a Federación confirmaron a participación de Abel Regueiro. |
NOS_26971 | Reclama a devolución das figuras de Abraham e Isaac ao patrimonio galego. Ana Pontón, portavoz nacionalista, di que é unha "vergoña democrática é que dúas esculturas do Pórtico da Gloria formen parte da colección particular da familia Franco". | Militantes e simpatizantes do BNG concentráronse diante do Museo da Catedral de Santiago no que se expón a mostra adicada ao Mestre Mateo e que acolle dúas esculturas do Pórtico da Gloria de propiedade da familia Franco. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reclamou a devolución das figuras de Abraham e Isaac ao patrimonio galego e afirmo, parafraseando as declaracións da vicepresidenta española sobre o procés catalán, que , "vergoña democrática" é que dúas esculturas do Pórtico da Gloria "formen parte da colección particular da familia Franco". "É unha vergoña democrática que permitamos que a familia Franco manteña bens que foron roubados ou espoliados ao pobo galego con total impunidade", dixo Pontón, que considera "vergoñento" que dende as institucións públicas "non se mova un dedo" para restituír a propiedade das figuras do Pórtico da Gloria, o Pazo de Meirás e a Casa de Cornide [propiedade da familia Franco] ao pobo galego. A portavoz nacionalista anunciou que o BNG rexistrará iniciativas no Parlamento galego e no Consello de Santiago de Compostela para que as dúas figuras retornen ao patrimonio galego. A familia Franco parece que está por riba da lei, da dignidade e dos dereitos". A vicepresidenta da Deputación da Coruña e concelleira do BNG no concello de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín explicou que as dúas tallas do Mestre Mateo foron mercadas no ano 1948 polo concello e por valor de 60.000 pesetas coa intención de que non saíran nunca do termo municipal de Compostela, como principal condición na venda. |
NOS_23239 | Para decembro prevese que se manteña a actividade. | A dirección da planta do Grupo PSA Peugeot Citroën en Vigo comunicou hoxe ao comité de persoal que se suspenderá a quenda de noite do sistema 2 este domingo e o próximo, días 15 e 22 de novembro, ante as "previsións á baixa" da demanda. Segundo confirmaron fontes da empresa, a decisión estivo motivada pola necesidade de adaptarse a "un contexto xeralizado de peche dos mercados europeos", que leva que se manteña "un panorama incerto de produción". Deste modo, canceláronse as quendas de noite do sistema 2 durante os domingos 15 e 22 de novembro. Polo momento, optouse por manter a produción o día 29 deste mes nos dous sistemas, pero, se fosen precisas a recuperación de perdas no mes de novembro e a anulación desa xornada, a decisión "comunicaríase coa maior antelación poíbel". Así mesmo, para decembro prevese que se manteña a actividade, aínda que se informaría de modo anticipado en caso de suspenderse a quenda de noite nalgún domingo. Esta decisión tomouse tras a suspensión da quenda de noite do sistema 2 que tivo lugar o pasado domingo para axustar a produción á demanda do mercado. |
PRAZA_9211 | Unha vez que EEUU conseguiu virar a case todos os goberno de Latinoamérica aos liberalismos, quere renovar a un Carlos Andrés Pérez ao poder en Venezuela | "É a guerra dos ricos contra os pobres, os ricos non queren que rexurdamos, que nós estudemos, e de feito non queren que participemos en ningún acto social, sempre estivemos apartados" (veciño dun barrio pobre de Caracas en 2004 no Documental Chávez do ano 2013, de Luis Castro).Quería comezar este artigo con esta reflexión, porque entendo que nestes momentos é a que mellor pode explicar o que está a acontecer en Venezuela. O mércores pasado un tal Guaidó, unha nova versión de Capriles, decidiu proclamarse presidente empregando un artigo constitucional que non habilita tal manobra. EEUU non tivo o mínimo disimulo e aos 30 minutos de tal auto proclamación apoiou ao "novo presidente". A soberanía nacional do pobos, a non inxerencia nos asuntos internos, e todas esas cousas que para o presidente cowboy de EEUU (e parece que agora para parte de Europa) son papel mollado, son todas aquelas que evitan primeiro apoiar tal auto proclamación e segundo que hai un presidente escollido de xeito democrático nun país soberano que é Nicolás Maduro.Este pasado sábado a reunión do Consello da Seguridade da ONU convocada por EEUU tiña unha finalidade ben clara. Desequilibrar aínda máis a situación de Venezuela, empregando a este organismo para facer o "traballo sucio" querendo levar a cabo unha flagrante violación das normas do dereito internacional. En particular falamos do principio da ONU que condena de xeito inequívoco calquera inxerencia nos asuntos internos de Estados soberanos. Aínda que isto non importou nos casos de Siria ou Libia.Venezuela de novo está a ser vítima dun intento de golpe de estado "institucionalizado" ou tamén chamado "paraguaio" tal e como aconteceu con Manuel Zelaya en 2009 ou con máis recentemente con Dilma Rousseff. Un golpe de estado como os anteriores auspiciados por EEUU, e que sen dúbida será seguido polas potencias europeas, entre elas o goberno español. Este último que se salta a soberanía nacional dun país estranxeiro e fai unha "chantaxe" ao presidente elixido de xeito democrático nun país estranxeiro. En España os primeiros en apoiar a Guaidó baixo a salvagarda de democracia foron VOX e o PP. Nada que engadir.Por certo unha soberanía nacional que tanto doe en España cando en Cataluña o propio pobo de catalán non pode votar, cando en España existen presos políticos, e onde se piden eleccións a un presidente doutro país cando o presidente Pedro Sánchez goberna mediante o decretazo. Chantaxes e ameazas proferidas dende España e os países europeos, detrás do paraugas imperialistas do tío Sam ou do tan criticado noutro momento Donald Trump, unha nova versión do "POR QUE NO TE CALLAS. . Como ben dicía Simón Bolívar "os EEUU parecen destinados pola providencia para encher a América de Miserias en nome da liberdade".Unha vez que EEUU conseguiu virar a case todos os goberno de Latinoamérica aos liberalismos, quere renovar a un Carlos Andrés Pérez ao poder en Venezuela (o goberno de Carlos Andrés Pérez con maiores taxas de pobreza da historia de Venezuela e a presidencia do Caracazo). A historia amosa que o Imperialismo non combate tiranos, senón que os alimenta para saquear recursos dos pobos.Este feito é unha tentativa de golpe de estado máis dos numerosos que veu sufrindo o chavismo dende que en 1998 tomou o poder, entre eles o da fotografía da vergoña de 2002 co noso ex- presidente Aznar en primeira plana nomeando presidente (de novo o capital auto proclamando presidentes) ao xefe da patronal en Venezuela. Rebelouse o pobo contra o golpe e fuxiron os homes "elegantes" que pensaban comezar a saquear Venezuela, en nome da democracia.E que dicir do papel dos medios de comunicación en España. Dende o comezo desta crise o seu xogo foi absolutamente vergoñento. Entre acusacións delitivas referíndose a Nicolás Maduro como "narcopresidente", "asasino" ou falando de que en Venezuela existe "una crise humanitaria" e lexitiman como presidente ao "auto proclamado" sen ningún miramento. Os mass media de novo facendo o seu labor de propaganda a favor dos intereses do capital, e preparando a opinión pública ante un acto ilexítimo, nunha operación tecnoinformacional, en palabras de Armand Mattelart. Estes mesmos medios non falan da traxedia humanitaria no Yemen a mans de Arabia Saudita, nin dos centos de persoas que están a perder a vida no Mediterráneo, tampouco falan de culpables e moitos menos de presos políticos en España. "Onte estivo o diaño aquí, neste mesmo lugar, aínda cheira a azufre" (Descurso de Hugo Chávez ante a ONU, 2006.) |
PRAZA_16400 | REPORTAXE | O Colectivo A Rula, que traballa na protección do patrimonio, vén de publicar a localización de 167 taboleiros gravados nas lousas de adros e prazas da cidade nos séculos XVII e XVIII, empregados pola poboación -supostamente- para diversos xogos, coma o tradicional pai-fillo-nai. Falamos con Luis Leclere. Galería de imaxes e mapa no interior | Algunha vez, paseando por Compostela, reparastes nas marcas que teñen algunhas lousas en prazas e adros de igrexa? Así como unha sucesión de buracos, dispostos en tres fileiras de tres. O Colectivo A Rula -que dende hai anos traballa na divulgación e protección do patrimonio, principalmente da arte rupestre- vén de publicar unha relación destes elementos (un total de 167), sinalando que non se trata de marcas de canteiros senón que de taboleiros de xogos, empregados pola veciñanza dende o século XVII. Máis complicado resulta coñecer os xogos concretos para os que se utilizaban estas lousas, pero dende a a entidade apúntase a que se podería tratar do pai-fillo-nai, o tres en raia. A documentación recollida polo colectivo inclúe un mapa coa localización dos taboleiros e fotografías de moitos deles, datados entre o final do século XVII e todo o XVIII A documentación recollida polo colectivo inclúe un mapa coa localización dos taboleiros e fotografías de moitos deles, datados entre o final do século XVII e todo o XVIII, o período barroco que en boa medida lle dá forma á actual centro histórico de Compostela. O seu obxectivo é dar a coñecer a existencia deste patrimonio, tan ligado ás ao lecer e á cultura popular da poboación, para garantir a súa protección, alertando de que moitos destes elementos foron desaparecendo nas últimas décadas -ou corren o risco de facelo- en procesos de rehabilitación, limpeza ou renovación do enlousado de rúas e prazas. Nalgúns adros substituíuse a case totalidade da pavimentación orixinaria, por exemplo no Convento de Belvís ou na Capela da Pastoriza. Anuncian, ademais, a convocatoria dun roteiro nocturno para as vindeiras semanas para quen queira coñecer máis de preto estes elementos (que se observan mellor con luz rasante) e os seus posibles usos. "Con iso damos por rematada a nosa actividade, porque non somos expertos. A partir de aquí, quen o queira recoller, que o estude en profundidade", sinala Luis Leclere, integrante do colectivo "No colectivo tiñamos xa localizada algunha coviña nalgún adro dalgún dos templos composteláns, pero non lle déramos máis importancia", explica Leclere. No verán de 2015 os irmán Lito e Gloria Sande atoparon un conxunto de 17 taboleiros no adro de Santa Clara e nos días posteriores publicaron estes e outros achados semellantes a través de Facebook, unha descuberta da que se fixo eco El Correo Gallego. "A partir dese momento comezamos dende o Colectivo A Rula a catalogar estes elementos de forma sistemática", indica Leclere, que engade que a relación 167 taboleiros catalogados "non esgota os taboleiros conservados e agochados nas rúas de Compostela, polo que pensamos que é necesario un estudo pormenorizado que permitiría localizar máis gravados". Dende A Rula comentan que "a maioría dos taboleiros localizados poden ser identificados, sen moito xénero de dúbida, como un modelo moi sinxelo de taboleiros do xogo do pai, fillo, nai ou tres en raia". Leclere destaca que hai exemplos de taboleiros semellantes en varias catedrais inglesas, empregados para xogar ao Nine Men´s Morris, outra denominación para o mesmo xogo. E salienta que en Compostela, sobre ese esquema básico de nove puntos, varios dos taboleiros inclúen outro tipo de debuxos: Sucos interiores unindo coviñas, sucos exteriores perimetrais das coviñas, sucos rectos ou remates absidiais... "Descoñecemos se os sucos engadidos tiñan utilidade práctica para o desenvolvemento do xogo ou si se trataba só de engadidos decorativos", din. De igual xeito, tamén se atoparon taboleiros con deseños máis complexos (por exemplo, unha matriz 5 por 6 no convento de San Francisco). "Na gran maioría dos casos trátase do tres en raia de toda a vida. Pero é un xogo que ten unha evolución ao longo do tempo moi grande. En certos lugares, como San Martiño Pinario, onde hai 47 taboleiros na fachada que dá á Acibechería, podemos pensar que alí se daban outro tipo de xogos ou variantes do pai-fillo-nai máis elaborados", explica Leclere. Leclere explica que "o pai-fillo-nai tiña moita tradición en Compostela e era un xogo moi común" e que probablemente a poboación empregaba con anterioridade taboleiros marcados con xiz ou tella, ou inscritos directamente na terra ou en elementos perecedoiros ou efémeros (madeira). As Ordenanzas Municipais de 1687 recollen a prohibición de "todo tipo de juego los días festivos antes de las doce, porque hasta entonces no estan dichas todas las misas, pero también que los practiquen durante la semana sirvientes, estudiantes y trabajadores" "Nos anos 50 do século pasado, antes de que Pons Sorolla cambiase os bancais da fachada da Quintana, alí os nenos xogaban campionatos de tres en raia empregando os taboleiros existentes. Era un xogo vivo ata os anos 60 ou 70" "O proceso de petrificación de rúas e prazas no barroco foi o que permitiu a persistencia destes taboleiros", subliña Leclere. O colectivo subliña que se trata "dun fenómeno propio de Compostela" e que "ata o momento non coñecemos taboleiros desta mesma tipoloxía en ningún outro lugar de Galicia". E destaca que se localizan "en lugares de acceso público", atopando unicamente catro excepcións a esta regra. A maioría destes exemplares localízanse en adros, escalinatas, escaleiras, bancos, chanzos de cruceiros, fachadas de templos e prazas. Lugares, todos eles, de paso ou de encontro de grupos de persoas. Apuntan, ademais, que a explicación de que non se atopen taboleiros gravados a partir do século XIX débese á aplicación de novas normas de xestión dos espazos públicos, Con todo, Leclere sinala que a tradición do xogo se mantivo ata ben entrado o século XX: "Nós temos constancia que nos anos 50 do século pasado, antes de que Pons Sorolla cambiase os bancais da fachada da Quintana, alí os nenos xogaban campionatos de tres en raia empregando os taboleiros existentes. Era un xogo vivo ata os anos 60 ou 70". Unha ducia de xogos de sempre |
NOS_17514 | A Deputación de Pontevedra realizou un acto co gallo Día Mundial das Escritoras no Castelo de Soutomaior no que participaron creadoras actuais e homenaxeouse ás máis importantes doutras xeracións. As presentes realizaron un documento que darán a coñecer este terza feira. | O Castelo de Soutomaior acolleu esta segunda feira, coa sinatura dun manifesto e o reencontro de escritoras de varias épocas, o acto principal do Día Mundial das Escritoras. O Salón Nobre da fortaleza foi testemuña dunha reunión na que participou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada das escritoras Isabel Blanco, Silvia Penas, Inma López Silva, Silvia Cernadas, Ana Figueiredo, Elvira Ribeiro, Regina Vega, Arantza Portabales e Ledicia Costas. As presentes convocaron a escrita e a oratoria de María Vinyals, a 'Marquesa roxa', representada pola escritora Mariana Carballal, mais tamén as escritoras Rosalía de Castro, a través de Tero Rodríguez e de Carmen Álvarez, que leu un fragmento de Lieders. Juana de Vega reviviu con Isabel Blanco e Rita Míguez, que leu un fragmento do discurso á raíña Isabel II; Filomena Dato fíxoo da man de Antela Cid e Teresa Vidal, que leu un fragmento do poemario Follatos; Concepción Arenal regresou con Estíbaliz Veiga e Sara Rodríguez, que leu un fragmento de La educación de la mujer; Concha Castroviejo fixo o propio con María Costa e Carla Rodríguez, que leu un fragmento de Víspera del odio. Ademais, Casilda Alfaro lembrou Pura Vázquez cun fragmento de A saudade i outros poemas; Xela Arias voltou ao presente con Silvia Penas e de Aldara Cabaleiro, que leu un fragmento do poema Intempériome; e Sofía Casanova coa voz coa voz de Débora Vukusic e de Valeria Narciso, entre outras. Após o faladoiro literario tivo lugar a cea das convidadas, con reflexións, reivindicacións e debates que concluíron coa sinatura dun manifesto "histórico" que se dará a coñecer esta terza feira. Silva definiu este encontro, organizado pola Deputación, como "único e marabilloso, que forma parte da tradición histórica das mulleres que ao longo da historia se reunían ben de xeito público e notorio, como as que organizaban as sufraxistas". |
NOS_50525 | O resultado invita ao optimismo: resulta evidente a química xerada no grupo, que se traduce na calidade do que escoitamos | Se lle facemos caso a Gérald Arnaud e Jacques Chesnel, autores do xa clásico libro Masters of Jazz, a partir da década de 1960, a improvisación pasa a convivir coa escrita formal e complexa nun novo plano. A atracción recíproca que sentiron músicos de jazz e compositores de música erudita ten unha longa historia que comeza moito antes desa data, mais que vai consolidándose até formar, xa no século XXI, unha corrente que non apela xa á pertenza a ningún xénero concreto, senón que se define a si mesma simplemente como "improvisación", malia que en moitas ocasións a partitura exerza de estrutra ou de detonador do que logo vai soar nos escenarios. Na loita / Orquestra Galega de Liberación / 2020 / Sete pezas / En plataformas dixitais A Orquestra Galega de Liberación asume desde o principio orgánico esta síntese entre escrita e improvisación a través do Soundpainting de Walter Thompson e, despois dun primeiro disco de presentación no que xa deixaron ben claro o alto nivel que alcanza unha formación composta por músicos das máis variadas procedencias, lanza este segundo traballo, gravado ao vivo durante o pasado Festival Jazz de Ría en Narón. Unha mostra da consolidación do proxecto, pero tamén un paso máis na busca do descoñecido. A OGL está conformada neste álbum por Max Gómez (batería); LAR Legido (batería); Javier Pereiro (trompeta); Olivier Cano (saxo alto); Xosé Miguélez (saxo tenor); Diego Alonso (saxo tenor); Rosolino Marinello (clarinete baixo); Rubén Fernández (voz); Sheila Patricia (voz); Antonio Bravo (guitarra); Manuel Cebrián (guitarra); Elena Vázquez (violín); María José Pámpano (viola); Macarena Montesinos (violoncello); Saúl Puga (contrabaixo). Dirixidos, como sempre, por Xacobe Martínez Antelo. Se o primeiro disco da OGL traía á mente as gravacións de moitas bandas do free jazz africanista (do Art Ensemble de Chicago a Don Cherry) este Na loita afonda en músicas que lle outorgan un valor engadido e que mostran de xeito máis axustado a diversidade de procedencias dos músicos. Tamén un maior protagonismo do vogal permite mostrar os fíos que unen a tradición con ese enorme repertorio da música contemporánea. E todo ese cúmulo de referencias -co seu anaco de ironía- apunta ao centro desta música: a loita por ser en liberdade, sen corsés que nos limiten. E o resultado invita ao optimismo: resulta evidente a química xerada no grupo, que se traduce na calidade do que escoitamos. A forma de canalizar unha rebordante enerxía colectiva revela non só a enorme competencia dos músicos, senón tamén a capacidade de orbitar arredor dun proxecto que posúe unha clave politica agochada no seu interior: a de rachar coas limitacións que nos impiden sermos. Crítica social envolta en beleza: diso trata a arte. |
PRAZA_19655 | O ex director da Editorial Galaxia formalizou a súa candidatura. A Real Academia Galega celebrará o vindeiro martes un pleno extraordinario no que escollerá presidencia e unha nova directiva. | O vindeiro martes 28 de marzo a Real Academia Galega celebrará un Pleno extraordinario de elección da nova Presidencia da institución, nunha sesión que dará comezo ás 18.30 horas. Víctor Freixanes formalizou este venres a súa candidatura, segundo publicou a axencia Europa Press, sendo de momento o único académico que deu este paso para optar a suceder a Xesús Alonso Montero á fronte da Academia. Nos últimos días Xesús Alonso Montero publicou na web da RAG un artigo titulado "Chau": da escravitude á salutación, ao redor das despedidas, as súas formulas e significado. No pleno do martes escollerase unha nova Xunta Directiva ao completo, unha vez cumprido o mandato da actual. As candidaturas deben ser presentadas por tres membros de número da institución cando menos con 48 horas de antelación á celebración do pleno. De acordo coa normativa interna, deben incluír cadansúa proposta de Comisión Executiva, composta, ademais por outras catro persoas: o/a secretario/a, o/a tesoureiro/a, o/a arquiveiro/a-bibliotecario/a e o/a vicesecretario/a. Freixanes abandounou en decembro a dirección da Editorial Galaxia, que pasou a estar nas mans de Francisco Castro. Escritor, xornalista e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, ingresou na Academia en 2004. |
NOS_39130 | Co motivo do centenario do autor de Viaxe ao país dos ananos, o Consello de Cultura Galega organiza a xornada "Xigantes ou ananos? Celso Emilio Ferreiro e o debate sobre a emigración galega" que terá lugar o 24 de maio. | O profesor Xosé Manuel Núñez Seixas, estudoso e membro do Arquivo da Emigración Galega, é o encargado de coordenar a xornada que vai abordar a biografía política e tamén intelectual de Celso Emilio alén dunha reflexión sobre a emigración galega.Traer o discurso de Celso Emilio arredor da emigración ao presente e debater arredor dos seus postulados son algúns dos puntos de partida da organización das xornadas. Como telón de fondo pairará o libro Viaxe ao país dos ananos e, de xeito relevante, a realidade da emigración galega en Venezuela.O autor da máis completa biografía sobre Celso Emilio, Ramón Nicolás, o estudoso da comunidade galega en Venezuela nos tempos do poeta, Raúl Soutelo e o propio Xosé Manuel Núñez Seixas, que desenvolverá unha revisión da interpretación celsoemiliana da emigración comporán a sesiónd e mañá. Na da tarde, catro persoas que coñecen ben a emigración partillarán dunha mesa redonda sobre a actualidade do debate sobre a emigración. Trátase de Xosé Neira Vilas, Román Rodríguez González, Anxo Lugilde e María Xosé Porteiro. Para se matricular nas xornadas pódese premer aquí. |
NOS_37729 | Após a absorción, Unión Fenosa Comercial pechará o seu centro de atención telefónica que dá servizo ao resto do Estado para o transladar a Catalunya. O comité de empresa advirte de que se van para fóra todos os servizos de asistencia telefónica que emprestan serán 311 @s traballador@s que quedarán sen emprego | O cadro de persoal da empresa Teleperformance inicia esta terza feira un calendario de protestos en contra da supresión do servizo de atención ao cliente que Unión Fenosa Comercial prestaba desde a Galiza a todo o Estado e que ten subcontratado coa citada empresa de telemarketing, con sede no polígono industrial da Grela (A Coruña) até o vindeiro 1 de xuño. Após ser absorbida por Gas Natural, esta pretende extinguir Unión Fenosa Comercial e transladar a súa actividade a outra filial do grupo con sede en Catalunya, medida que se traducirá no despedimento de 105 traballador@s. O grupo enerxético dá emprego a outras 206 persoas que asomen a asistencia telefónica a clientes coa tarifa de último recurso (TUR) por avarías e xestión das redes de distribución. É Gas Natural, por tanto, quen reparte emprego indirecto tamén á outra metade do cadro de persoal de Teleperformance, polo que o comité de empresa teme que a extinción desta filial sexa o primeiro paso dun translado total a Catalunya. "As empresas punteiras e máis representativas da Galiza desaparecen ou deslocalízanse, os nosos recursos naturais xeran beneficios fóra e agora levan tamén os nosos postos de traballo, creados naquelas empresas colaboradoras que medraron parellas á vella Unión Fenosa", quéixanse desde o comité de empresa. Iberphone SAU, co nome comercial de Teleperformance, presta servizos de telemarketing a varias firmas de telecomunicacións, electricidade, banca e seguros desde o seu centro na Coruña. Malia lle ter transladado ao cadro de persoal a súa satisfacción co labor desempeñado, Teleperformance "segue sen aclarar medidas concretas deixando patente a súa desconsideración cara á nós", continúa o comité de empresa, que conta co apoio dos tres grupos municipais da oposición no Concello da Coruña. Nomeadamente, PSdG e BNG presentaron senllos rogos no último pleno, realizado esta segunda feira, para exixir que se manteñan os 105 postos de traballo na cidade. |
NOS_16761 | A evolución da Covid na Galiza marca desde primeiros de novembro un crecemento comedido pero continuado que mantén alerta as autoridades sanitarias e a comunidade experta. | A vacinación masiva da poboación mudou o perfil máis agresivo da pandemia. A enfermidade grave e a letalidade causada polo coronavirus caeron de vez. O ritmo de contaxio da Covid comezou a ceder e a mellora xeneralizada da situación epidemiolóxica levou a decretar o fin da emerxencia sanitaria. Desde entón, cada sexta feira o subcomité clínico reúnese para avaliar os datos de saúde pública e adoptar as decisións adecuadas. "Neste momento non estamos nunha mala situación, cunha incidencia acumulada a 14 días por baixo dos 50 casos", asegura a Nós Diario Sergio Vázquez, xefe de Oncoloxía do HULA e un dos expertos que asesora a Xunta na pandemia. "Si é certo que está a aumentar a unha velocidade importante, pero, de momento, non supón unha aceleración grave da hospitalización convencional nin de doentes críticos. E isto é fundamental", conclúe. A vacinación está na raíz do alivio asistencial. Con máis de 90% da poboación protexida, Sergio Vázquez pon o foco no grupo de entre 30 e 39 anos, "cunha cobertura inferior a 80%". Relaxación en interiores Sanidade estima en 6% a poboación pendente de levar unha vacina que ten á súa disposición e pode reclamar xa. Representa 30% dos contaxios, advirte, por iso a anima a vencer calquera reticencia de cara a previr unha doenza difícil que pode requirir ingreso hospitalario. Neste sentido, Vázquez lembra que aínda que a vacina contribúe a diminuír a taxa de contaxios, "o virus segue a transmitirse". Máis cando hai poboación desprotexida e unha "relaxación clara" das medidas de prevención "sobre todo en interiores". O experto sinala un exceso de confianza ante unha normalidade que non é definitiva, por iso chama a respectar o uso de máscara e distancia en espazos fechados. Tamén na hostalaría, onde xa se observa un incremento notábel de casos. "Os primeiros gromos apareceron en reunións familiares, pero están subindo moito en bares e ocio nocturno, onde nin a ventilación nin os medidores de CO2 nin a exixencia do pasaporte Covid están estendidos". De feito, as medidas inmediatas que contempla o comité asesor da Xunta xira arredor deste documento. Segundo confirma Sergio Vázquez, na súa próxima xuntanza analizarán a conveniencia de estender o uso deste certificado a novos escenarios, sen descartar, tampouco, "medidas cirúrxicas" en caso de determinados surtos. Desde o ámbito sanitario, o especialista en Medicina Interna Nacho Ramil advirte dun "crecemento controlado" que parte de "números moi baixos" e cun incremento por caso "contido" grazas á vacinación. Con todo, chama a ser realista. "Galiza e o resto do Estado crecen desde hai dúas semanas e é de esperar que esta suba se manteña até o Nadal. Esa será a nova base sobre a que sumar o efecto das celebracións". Malia descoñecer o impacto asistencial deste aumento, asegura que doentes crónicos e maiores serán os que xeren unha maior porcentaxe de ingresos. "Hai que aceptar vivir con restricións puntuais para modular a ocupación derivada da Covid, non a incidencia da enfermidade", sentencia. |
NOS_13839 | A Coordinadora Nacional de Anova, o seu máximo órgano entre asembleas, concluíu este sábado cun duro comunicado en que fala abertamente de "crise" de En Marea e denuncia a "perda constante de principios e valores cos que naceron os procesos de unidade popular en Galiza". | O documento é un ataque directo contra a dirección de En Marea, encabezada por Luís Villares -tamén portavoz parlamentario- e co apoio fundamental de Cerna -escindidos no seu día de Anova. "Nun contexto de loita social na rúa, co avance da ultradereita e cun Goberno galego que colabora no espolio", afirma, "a dirección de En Marea centrou as enerxías da organización en cuestións internas, menores e afastadas das necesidades da xente". O caso Paula Quinteiro desatou as desavinzas entre as diferentes correntes e partidos que conflúen en En Marea. A deputada identificouse como tal nun incidente nocturno coa Policía Local de Compostela. Durante tres meses, En Marea debateu e discutiu sobre o futuro da parlamentaria. A dirección quere que dimita alegando cuestións "éticas" e mesmo chegou a convocar unha consulta entre as persoas "inscritas". Nela participaron un tercio do censo, que apoiaron a tese de Villares. Mais a maior parte de Anova, Podemos, Esquerda Unida, 11 dos 14 deputados do Hórreo, as mareas das tres cidades e os referentes públicos de máis envergadura consideraron que a dirección de En Marea inchou o asunto por "intereses de parte". O propio Xosé Manuel Beiras refrendou de entrada a Villares, aínda que este sábado fixo parte da Coordinadora Nacional de Anova-Irmandade Nacionalista que emitiu o contundente comunicado. "Cando unha organización está tan lonxe das demandas dos que a apoiaron no seu momento para ser voz da indignación, non cumpre cos obxectivos para os que naceu", engade o texto, que chama "a reconducir esta situación de xeito inmediato a través dun proceso colectivo aberto onde participen mareas, colectivos sociais, organizacións e persoas que aposten pola reconstrución dun espazo de unidade popular galego que debe de ser plural, mestizo e de ruptura". Quen tamén asistiu á xuntanza do órgano foi o alcalde de Teo, Rafa Sisto, que hai dous días abandonou a súa condición de inscrito en En Marea con fortes críticas á deriva do "espazo de confluencia". |
NOS_18805 | Os centros de chamadas afrontarán a segunda feira, 28 de novembro, a cuarta folga sectorial no que vai de ano. A CIG apela á participación masiva contra os recortes que a patronal quere impoñer nas negociacións do convenio estatal. | Esta segunda feira os centros de chamadas vivirán unha nova folga. É a cuarta greve no que vai de ano para o sector. Nesta ocasión, os traballadores e traballadoras reclaman un convenio xusto após teren coñecemento dos recortes que lles pretende impoñer a patronal. A CIG emitiu un comunicado de prensa en que apela á participación e en que salienta que o sector dos centros de chamadas se atopa á vangarda das mobilizacións da clase traballadora na Galiza. "É fundamental para as traballadoras e traballadores que logren un acordo favorábel aos seus intereses, chocando inevitabelmente cunha patronal que quere consolidar o sector nunha precariedade perenne", sinala a central sindical. A proposta de suba salarial dun 1% representa, para a CIG, unha "auténtica tomadura de pelo" A proposta de suba salarial dun 1% representa, para a CIG, unha "auténtica tomadura de pelo", tendo en conta que as subas do IPC desde a aprobación do anterior convenio "esixirían un mínimo do 8%" para uns salarios que rara vez chegan a mileuristas. O sindicato nacionalista propón unha suba liñal de 540 euros para que os salarios manteñan o poder adquisitivo, así como incluír un complemento de quinquenio correspondente a 50 euros. Tamén un complemento de idioma polo eventual uso do galego ou que o traballo en sábado sexa retribuído como o dos domingos. Entre outras medidas, a CIG pretende que se acade unha duración máxima de xornada de 35 horas semanais sen rebaixa salarial, así como a eliminación da xornada irregular, paliándoo con novas contratacións específicas. Tamén aumentar os tempos de descanso, quendas continuas para o 60% do persoal, compensacións diarias de 7 euros para contratos con quendas partidas ou que aquelas persoas que conten con cargas familiares teñan preferencia á hora de elixiren quenda. Convenio galego Aliás, a CIG asegura que "se contásemos cun convenio de ámbito galego, as negociacións serían moito máis favorábeis, dada a posición da central como primeira forza en número de delegados e delegadas no sector no noso país, así como en liderar a resposta por un convenio digno". A folga no sector terá tamén a súa expresión nas rúas con manifestacións en Vigo (ás 11.30h desde Unísono, Gran Vía 115, até Bosch, María Berdiales, 20); A Coruña (ás 12h desde Atento, Juan Florez, 82); Ourense (concentración ás 12h na praza das Damas) e Lugo (concentración ás 12h diante de Abante BPO, Avda. Infanta Elena, 300). |
NOS_42882 | A Deputación da Coruña vén de presentar o novo ciclo "Maio Jazz", que se desenvolverá no escenario do Teatro Colón da Coruña todos os domingos do mes. Unha iniciativa para a que se vai contar coa música de Oîma, Pablo Sanmamed, María Toro e Margarida Mariño. | A Deputación da Coruña vén de presentar o novo ciclo "Maio Jazz", que se desenvolverá no escenario do Teatro Colón da Coruña todos os domingos do mes. Unha iniciativa para a que se vai contar coa música de Oîma, Pablo Sanmamed, María Toro e Margarida Mariño. "Comprácenos presentar un novo ciclo, porque neste tempo xa é unha boa noticia dar conta de algo que nace porque apunta ao proceso de recuperación que a música ao vivo precisa e, máis aínda, se fala da altura da música de jazz que se fai no noso país", sinalou o deputado de Cultura, Xurxo Couto, na presentación. "Na tradición do jazz queremos situar este ciclo que contén propostas extraordinarias que mostran a vitalidade e calidade desta nova xeración de artistas", sinalou o deputado. Xunto a el estiveron Margarida Mariño, Pablo Sanmamed e Antía Ameixeiras, do grupo Oîma, que abrirá o festival. Ameixeiras aproveitou para anunciar que o vindeiro día 2, ás 20 horas, o espectáculo se vai acompañar cunha videocreación en directo que formará parte dun "concerto moi especial de estrea co que agardamos que o público goce xa que a idea é transmitir moitas sensacións". O espectáculo que Oîma subirá ás táboas do Colón leva por nome Ala! O domingo 9 chega a quenda de Pablo Sanmamed e o seu Ben vennas maio, "un camiño aberto ás Cantigas de Afonso X a través de dúas linguaxes que se encontran, as da música medieval e o jazz, para o que o contrabaixista e compositor se rodea das músicas Begoña Olavide, Elena Tarrats, Xurxo Varela, Iago Mourinho, Chus Pazos e Carlos Castro. A violoncelista viguesa Margarita Mariño presentará o domingo 16 de maio Cello&Electronics, o seu primeiro traballo en solitario no que experimenta con xéneros onde o seu instrumento non é tan común, alén do jazz, chega á música espontánea e á improvisación. O programa de "Maio Jazz" vaino fechar a frautista coruñesa María Toro, que presentará o seu traballo Fume o domingo 30 de maio, como sempre ás 20 horas. Unha artista que "incorpora a súa música aos diferentes contextos polos que pasou, nunha aprendizaxe continua que se plasma nos seus traballos". Na última década traballou en Suíza, nos Estados Unidos de América e no Brasil e agora recala na súa cidade. |
PRAZA_15376 | En 14 anos de operacións en Reino Unido, cunha facturación de 3.000 millóns de libras esterlinas, Starbucks só pagou 8.6 millóns de libras esterlinas en imposto de sociedades. Empresas como Apple e Amazon fan o mesmo a unha escala máis grande. | A legalidade e a ética non sempre van da man. Os financeiros máis agudos parecen sempre atopar unha físgoa para conseguir que a falta de ética sexa legal. "Non é a nosa culpa. É un fallo de regulación e nós simplemente estamos a cumprir a lei", dirán moitos para defenderse. En certo xeito poida que teñan razón. Se ninguén cambia a lei para regular unha actividade determinada, non podes facelos responsables polas súas decisións. En 14 anos de operacións en Reino Unido, cunha facturación de 3.000 millóns de libras esterlinas, Starbucks só pagou 8.6 millóns de libras esterlinas en imposto de sociedades Pero cando a cidadanía se decata de que en 14 anos de operacións en Reino Unido, cunha facturación de 3.000 millóns de libras esterlinas, Starbucks só pagou 8.6 millóns de libras esterlinas en imposto de sociedades, non hai argumento que valla para tranquilizar uns ánimos caldeados pola austeridade e a crise. O caso é só a punta do iceberg. Empresas como Apple e Amazon fan o mesmo a unha escala máis grande e estas prácticas non só se limitan a Reino Unido. En España ocorre e no resto da Unión Europea, tamén. Empresas como Apple e Amazon fan o mesmo a unha escala máis grande e estas prácticas non só se limitan a Reino Unido. En España ocorre e no resto da Unión Europea, tamén Starbucks utiliza un sistema complexo no que factura a través de sociedades en Holanda e Suíza. Nas súas contas en Reino Unido constan perdas debido a unha comisión do 4,7% que pagan á súa división en Holanda, onde se tosta o café, e un 20% á súa división Suíza que é a que lles vende o café aos establecementos de Reino Unido. Este brillante armazón permítelle á compañía pagar a Facenda unha ínfima parte das súas ganancias reais no país. A imaxe da compañía sufriu outro duro revés ao revelarse que o seu competidor máis próximo, Costa Coffee, non recorre a sociedades estranxeiras para pagar impostos. Este ano pagáronlle 18 millóns de libras esterlinas ao fisco en Reino Unido. Máis do dobre do que pagou Starbucks en 14 anos. Un caramelo para a imaxe da súa competencia. En resposta ao furor cidadán, a cadea prometeu pagar 20 millóns de esterlinas en impostos nos próximos dous anos. Unha medida calculada para tranquilizar a crecente utilización da palabra boicot cada vez que se nomea a marca. Tamén Howard Schultz, o fundador da compañía, escribiu unha carta para explicar que a empresa pagou máis de 160 millóns de esterlinas en achegas á seguridade social, IVE e impostos especiais no últimos tres anos. As reaccións non foron de todo positivas e volven revelar o problema cun sistema fiscal transnacional no que "parece que pagar é algo voluntario", segundo o CEO de Sainsbury's, a segunda cadea de distribución máis grande do país, que tamén paga o que lle corresponde en impostos de sociedades. Da presión política á presión económica O populismo está a tomar as rendas dunha decisión que se debería tomar nas Cortes Hai quen defende, como este artigo do Financial Times, que o populismo está a tomar as rendas dunha decisión que se debería tomar nas Cortes. Pero tampouco existen garantías de que isto atalle o problema. Os políticos só se propuxeron facer algo tras o escándalo. Poñamos un exemplo: agora mesmo na Unión Europea están a debaterse formas de crear un plan para loitar contra a fraude fiscal e a competencia fiscal perniciosa, o termo utilizado para describir as actuacións de Starbucks, Amazon, Facebook ou Apple en Europa. Na Unión Europea están a debaterse formas de crear un plan para loitar contra a fraude fiscal e a competencia fiscal perniciosa, o termo utilizado para describir as actuacións de Starbucks, Amazon, Facebook ou Apple en Europa O problema é que, até que esta lei se aprobe, vai pasar por moitas deliberacións e coñecendo os precedentes deste tipo de regulación, os lobbies empresariais farán todo o posible para que no momento en que chegue a votación haxa tantas emendas que existirán mil e unhas formas de evitar pagar o que realmente corresponde. Falas con calquera persoa que traballa en bolsa ou no sector financeiro e danche os mesmos argumentos de sempre. Starbucks está a facer as cousas ben. O seu traballo é maximizar o valor para o accionista e unha das claves é pagar cantas menos taxas posibles. Pero as decisións puramente racionais non teñen en conta unha cousa. Estes argumentos non valen. Especialmente cando se lle está pedindo á sociedade que se sacrifique para saír do buraco económico actual. Quen é, á vez, o cliente que te sostén. Quizais o debate de que hai que subir os impostos aos ricos como se está propondo en Francia sexa unha distracción innecesaria. Non bastaría que cada un pagase o que legalmente lle corresponde sen físgoas raras nin fórmulas opacas para evadir o seu pago? Un sistema claro e transparente. A esta situación absurda hai que engadirlle outro punto irónico. Neste vídeo, Polly Toynbee denuncia que o Ministerio de Facenda británico perdeu 10.000 empregados nos últimos anos debido aos recortes. A súa capacidade de reacción diminúe cando máis se necesita. O Ministerio de Facenda británico perdeu 10.000 empregados nos últimos anos debido aos recortes. A súa capacidade de reacción diminúe cando máis se necesita Pero sería naive pensar que o caso Starbucks cambiará as cousas. O anuncio apenas afectou o seu valor en bolsa. Os investidores quedaron satisfeitos polas medidas. "Están a evitar un boicot. É só o prezo de facer negocios", declarou Nell Minow de GMI Ratings ao Financial Times. Noutras palabras, o pago é simplemente unha peaxe que teñen que pagar. Mentres tanto, business as usual. |
Subsets and Splits
No community queries yet
The top public SQL queries from the community will appear here once available.