ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_11779 | PSdeG e BNG desputan ser a segunda forza galega | Núñez Feixoo tería maioría absoluta segundo o novo CIS. Porén, o alto número de votante indeciso (31,6%) pon os marcadores a cero. As galegas e galegos só aproban Feixoo (cunha nota de 5,92) e a líder do BNG, Ana Pontón (5,13). O candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero, suspende (4,86) así como o de Galicia en Común, Gómez-Reino (3,88). O Partido Popular conseguiría unha nova maioría absoluta (situada en 38 escanos) segundo o barómetro que esta cuarta feira, 24 de xuño, publicou o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) con motivo da cita electoral do 12-X. Hai catro anos o PP tivo 41 escanos e agora estaría entre 39 e 42. Este é o resultado que o CIS estimou para o PP ao mediodía desta cuarta feira. Unhas horas antes cifrara o resultado do PP en 40-42. A estimación de escanos dá entre 16 e 18 para o PSdeG (en 2016 lograra 14), seguido de perto polo BNG, con 12-14 actas (fronte ás 6 que ten), e Galicia en Común ficaría con 4-6 fronte aos 14 que hai catro anos obtivera En Marea, a coalición coa que Podemos, Anova e Esquerda Unida concorreron ao Parlamento. Marea Galeguista, Vox e Ciudadanos non conseguirían representación. En porcentaxe de voto, o PP acadaría 46%, mentres que PSdeG obtería 19,5%, o BNG 16,8% e Galicia en Común 7,2%. Marea Galeguista tería 2,9%, Cs 2,2% e Vox quedaría en 1,4%. A oposición adianta o PP en voto máis simpatía Á pregunta sobre que partido ou coalición pensa votar o 12 de xullo, a resposta espontánea amosa que o PP sería a opción escollida por 26,3% do electorado. O BNG sería segunda forza, sendo apoiada por 10,4, seguido do PSdeG con 10,2 e de Galicia en Común, tan só con 3% de intención de voto. O estudo preelectoral do CIS amosa un resultado preocupante para o PP de cara ás urnas e deixa un escenario aberto, pois o partido de Alberto Núñez Feixoo lograría 32,8 puntos en voto máis simpatía, fronte a 36,4 que suman PSdeG (17,2), BNG (14,6) e Galicia en Común (4,6). O BNG gaña 32% do votante do espazo da Marea Só 32% do votante de En Marea apostaría agora por Galicia en Común. Así, o BNG absorbería a ese espazo até 31% do seu votante, e 12% iría para o PSdeG. O PP gaña en fidelidade de voto. Até 86% de quen optou pola papeleta popular en 2016 volvería agora apoiar Alberto Núñez Feixoo. O Bloque retén 72% do votante de hai catro anos e o Partido Socialista 63%. O gran número de electorado indeciso deixa o escenario aberto Até 31,6 % da poboación enquisada polo CIS non sabe aínda que papeleta escollerá os 12 de xullo, o cal deixa un volume de votante indeciso moi elevado e, por tanto, un escenario moi aberto. 4,2 % da poboación xa tería tomada a decisión de non votar, mentres que 1,4% apostaría por facelo en branco. O universo da enquisa foi de 3.398 persoas residentes na Galiza e con dereito a voto o 12 X. Delas, 1.124 pertencen á circunscrición da Coruña, 655 á de Lugo, 598 á de Ourense e 1.021 á de Pontevedra. |
PRAZA_8788 | O Goberno de Aznar tería empregado o contrabandista para enviar ao país africano espías que se facían pasar por empregados das súas compañías. Consulte no interior a denuncia presentada ante a Fiscalía Anticorrupción. | A espionaxe española serviuse dos servizos do narco Marcial Dorado para introducir espías en territorio marroquí de maneira discreta. Así o denunciou fronte a Anticorrupción o ex garda civil José Manuel Sánchez Zabala, unha das principais testemuñas de cargo no xuízo contra Dorado. Eldiario.es púxose en contacto co CNI desde onde unha fonte oficial afirma: "Negamos rotundamente que tivésemos relación ou usásemos as empresas de Dorado como pantalla en Marrocos". O CNI nega "rotundamente" que usase as empresas de Dorado como pantalla en Marrocos No entanto, a redacción do diario tivo acceso á denuncia que Sánchez Zabala presentou en Anticorrupción. O rexistro de entrada é do 5 de novembro de 2007. Nela, este ex garda civil explica que os seus superiores lle ordenaron en 1996 achegarse a Marcial Dorado e introducirse na súa contorna no contexto dunha operación secreta que tiña por obxecto captar o daquela contrabandista de tabaco como colaborador da espionaxe española. Segundo denunciou Sánchez Zabala, "todo o obxectivo da operación non foi outro que utilizar o poder económico de D. Marcial Dorado para comprar unha empresa estratéxica en Marrocos". Segundo o seu relato, "cando Dezcallar foi elixido por Aznar para dirixir o CNI, a empresa de Marcial Dorado foi ofertada como cobertura para a actuación dos servizos de intelixencia que operaban en Marrocos en plena crise diplomática". A espionaxe española tería usado a Dorado como "cabalo de Troia" para introducir espías que se facían pasar por empregados das súas empreas Dito doutro xeito, o que declara o principal infiltrado na rede de Dorado é que a espionaxe española serviuse de Marcial Dorado como "cabalo de Troia" para introducir en Marrocos espías que se facían pasar por empregados das súas compañías. Marrocos é tradicionalmente o país de maior relevancia para a espionaxe española e un dos países aos que máis recursos dedica. Os conflitos diplomáticos entre ambos os reinos foron constantes a pesar das boas relacións que sempre mantiveron as monarquías de ambos os países. En círculos diplomáticos considérase Marrocos como a rexión obxectivo número uno para España en materia de información e espionaxe. A empresa que Dorado instalou no reino alauí dedicábase á produción de aceite baixo o nome Oil-Maroc S.A. Segundo a denuncia presentada en 2007, "o propio embaixador de España en Rabat (Sr Dezcállar) facilitou a través dos seus conselleiros a compra da devandita empresa para Dorado". O ex garda civil asegura que sempre actuou baixo as ordes dos seus superiores e denuncia ameazas Manuel Sánchez Zabala iniciou a súa relación con Dorado por motivos do servizo pero terminou desenvolvendo co narco unha relación persoal e profesional. Na actualidade atópase imputado por delitos relacionados coas supostas actividades ilícitas do narco galego. Na súa defensa, Sánchez Zabala, argumenta que sempre actuou baixo as ordes dos seus superiores e denuncia que foi ameazado por estes da posible apertura dun expediente de investigación. Sempre segundo o relato do ex garda civil, estas presións son as que motivaron a súa decisión de solicitar a excendencia voluntaria do corpo armado. Segundo o seu relato, todos os seus superiores coñecían e auspiciaban as relacións con Dorado, até o punto de que algúns altos mandos da Garda Civil incluíron a familiares no accionariado das empresas de Dorado en Marrocos. Segundo Zabala, "proba de que a adquisición da empresa estratéxica levou a cabo con éxito son os numerosos documentos mercantís rexistrados nos que figuran como accionistas Marcial Dorado e María do Pilar López López, cónxuxe do superior do denunciante (xefe de equipo de Policía Xudicial). A denuncia presentada por este ex espía da Garda Civil non tivo relevancia xudicial algunha e tampouco supuxo para el ningunha imputación relacionada coas acusacións que nela realiza. |
NOS_13422 | [ACTUALIZADA ÁS 16.50] O Consello de Defensa de Venezuela vén de declarar "superado" o conflito entre os poderes públicos e insiste no diálogo para resolver a conxuntura política do país. | "Queda superada esta controversia, demostrando as capacidades de diálogo", afirmou na madrugada do sábado o presidente venezuelano Nicolás Maduro, quen informou das conclusións do Consello de Defensa após a súa reunión. O presidente de Venezuela insistiu en "repudiar calquera intervención que atente contra a independencia, soberanía, integridade territorial e autodeterminación" do país e lanzoulles unha mensaxe aos gobernos que "pretenden ditar pautas cando os seus países están en chamas". A través dun comunicado, o Consello cominou o Tribunal Supremo de Xustiza a revisar as decisións 155 e 156 para manter a estabilidade institucional e ratificou o TSX como "a instancia competente para o control da constitucionalidade dos actos emanados de calquera órgano do poder público nacional", así como "a resolución dos conflitos entre poderes". Tamén insistiu na necesidade de desenvolver "un diálogo fecundo" coa oposición, á que urxiu a se sumar "sen demora" ás conversas apoiadas pola Unasur. Segundo a Constitución venezuelana, o Consello de Defensa "é o máximo órgano de consulta para a planificación e asesoramento do poder público nos asuntos relacionados coa defensa integral da nación, a súa soberanía e a integridade do seu espazo xeográfico". Horas após do Consello de Defensa, o Tribunal Supremo corrixiu as senetenzas 155 e 156 sobre as competencias da Asemblea Nacional, de maioría opositora e en condición de desacato, e a inmunidade parlamentar. "A Sala Constitucional garantirá que as competencias parlamentares sexan exercidas directamente por esta ou polo órgano que ela dispoña para velar polo estado de dereito". A decisión do TSX venezuelano, en consonancia coa Constitución, ten lugar para facerlle fronte ao desacato que se mantén desde o 5 de xaneiro de 26 pola AN, ao xurar o cargo tres deputados da autodenominada Mesa da Unidade, eleitos en decembro após seren suspendidos provisionalmente por irregularidades de votos no estado Amazonas. |
NOS_45028 | As forzas sindicais critican que a entidade bancaria non retirara a súa intención de realizar despedimentos forzosos. | A plataforma sindical conformada por todas as centrais con representación en CaixaBank realizou onte unha folga xeral contra o que consideran "despedimentos forzosos e o recorte de condicións laborais" do persoal desta entidade bancaria. Fontes sindicais apuntan que tivo un seguimento na Galiza dun 95%. A última reunión que tiveron as forzas sindicais coa dirección, o pasado 16 de xuño, foi para UXT de "decepción e indignación a partes iguais coa proposta da empresa, xa que non retira a maneira forzosa nas saídas". "A dirección da empresa non acepta o esquema de propostas dos sindicatos e tampouco hai avances que nos leven a pensar no fechamento do acordo con voluntariedade", afirman as mesmas fontes. Por este motivo reafírmanse no rexeitamento aos despedimentos forzosos e ao recorte das condicións laborais. UXT lamenta que "a falta de dúas semanas para finalizar a prórroga na negociación, a dirección siga empeñada en defender unha postura radicalmente contraria". Pola súa banda, CCOO incide en que os despedimentos forzosos por parte de Caixabank no caso de Lugo suporían case un 20% do persoal total, "dentro da época máis importante da historia da banca neste país". Advirten de que "as autoridades públicas teñen que deter esta hemorraxia de destrución de emprego". Ademais da folga houbo concentracións nas cidades de Lugo, A Coruña e Vigo. |
NOS_9535 | O repetitivo cualificativo de trascendentais con que se adoita alcuñar todas as eleccións acáelle como anel ao dedo á cita coas urnas do 28 de abril, comicios aos que se chega após meses de precampaña estatal marcada polo ruído mediático e a polarización. E Galiza? A resposta está por escribir. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 342 do semanario en papel Sermos Galiza. | E sta quinta feira arrancan as dúas semanas de campaña electoral para o 28 de abril. Unha cita coas urnas ás que se chega con 65% dos galegos e galegas cualificando de "mala" ou "moi mala" a situación política actual e co 56% outorgando os mesmos cualificativos á situación económica, segundo a macroenquisa do CIS. Case 2,7 millóns de persoas -457.000 delas residentes no exterior- teñen dereito a votar nestes comicios na Galiza, 3.300 menos que en 2016, o que é outro indicativo máis de dous graves problemas que padece o país, a perda de poboación e a emigración, e que apenas ten reflexo na axenda do debate mediático-político para o 28A, unha axenda cada vez máis madrileñanizada. "Son unhas eleccións cruciais", aponta o profesor e ensaísta Antón Baamonde, que sitúa os comicios no marco dunha "vontade crecente de recentralización" que o Estado español vive desde a sentenza de 2010 sobre o Estatut. Para María Pilar García Negro, profesora da UDC e escritora, a campaña e os comicios non deberían enfocarse como "unha competición onde demostrar quen é o mellor" senón que o fulcral é "garantir que de forma directa e unívoca" Galiza estea representada. E iso, aponta, "que Galiza exista como nación, non como mera zona ou circunscrición", só pode garantilo o nacionalismo. Miguel Bastos, profesor de Ciencias Políticas na USC, ve que "Galiza está como apartada" nesta competición electoral, o que considera unha consecuencia de que "a axenda estatal ten moito peso na Galiza", anulando ou deixando fóra os temas propios. Expresa a súa perplexidade polo feito de que "os vascos" logren o traspaso de competencias dunha autoestrada mentres se lle nega esa mesma transferencia a Galiza e que iso non xere unha reacción unánime e "contundente" contra o que entende que é "unha aldraxe". García Negro non ten dúbida de que o país é "marxinado e desprezado" polo Estado español independentemente de quen goberne o mesmo. "E desde logo non axuda que teñamos aquí un Goberno galego que é un desastre, que mesmo se gaba de non querer competencias". [Podes ler a reportaxe íntegra no número 342 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_52561 | O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, centrou boa parte da quenda de réplica na líder do BNG, Ana Pontón. "Se non es do BNG non es bo galego e privatizas os servizos públicos, isto é realmente infantil", atacou á nacionalista, á que lle trasladou varias preguntas como o seu pensamento sobre a independencia do país. | Nunha das súas intervencións no debate sobre o estado da nación, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, defendeu a súa xestión no ámbito económico, sanitario e da pandemia fronte ás críticas que lle trasladou a oposición. De feito, volveu comparar o labor autonómico co do Goberno español na súa resposta ao PSdeG, á vez que lanzaba un aviso ao BNG: "A Galicia máis grande é a que vota libremente cada catro anos e pon no Goberno a quen considera oportuno". Previamente, ao longo da súa primeira quenda de réplica, aproveitou para reivindicar a súa xestión desde que tomou as rendas en San Caetano, en 2009, que contrastou -en áreas como a atención da dependencia e outras sociais- coa do bipartito que lle antecedeu. Tampouco escatimou nas súas críticas ao Goberno de España co foco na pandemia. "Noutras comunidades caducaron vacinas, mentres que aquí pediamos máis", afirmou. Mesmo chegou a apuntar a un fallo do sistema de alerta epidemiolóxica. Malia todo, gran parte da máis dunha hora que se prolongou o seu discurso, Feixoo tivo o foco no BNG e na súa líder, Ana Pontón, esforzándose en situar o nacionalismo galego como "unha copia" do catalán e lanzando un aviso: "Leccións sobre a Galiza máis grande, ningunha". "A Galiza máis grande é a que vota libremente cada catro anos e pon no Goberno a quen considera oportuno", sentenciou, antes de subliñar que non se pode falar de construír "a Galiza máis grande" cando "nin sequera" se aceptan o que el consideran logros do Executivo galego ante a pandemia. "Aos gobernos ponos a xente que vota nas eleccións", incidiu, antes de lamentar que se cualifique de "privatizado todo o que non estea de acordo co catecismo do BNG". "Se non es do BNG non es bo galego e privatizas os servizos públicos, isto é realmente infantil", atacou a Pontón, á que lle trasladou varias preguntas como o seu pensamento sobre a independencia do país. En resposta ao PSOE, Feixoo demandou "falar en serio" doutras cuestións como a situación da AP-9 e instou a Gonzalo Caballero a aclarar puntos concretos da reforma estatutaria que expón e se necesitaría "o visto e prace" do BNG, antes de lembrar o que sucedeu no último intento de reforma, onde a denominación da Galiza "no preámbulo" impediu "calquera avance". "Ese conto xa o vin. Se falamos, deberiamos facelo en serio e con cuestións concretas", aseverou, antes de subliñar que, igual se Euskadi e Galiza "non reformaron o Estatuto" é porque teñen "criterio e personalidade". |
NOS_53329 | En xuño de 2020 diagnosticáranlle un tumor cerebral irreversíbel. | O corredor de fondo Alejandro Gómez Cabral, natural de Vigo, faleceu este domingo aos 53 anos de idade, a causa do tumor cerebral inoperábel que lle fora diagnosticado o pasado mes de xuño. Con apenas 21 anos, o atleta acudiu aos Xogos Olímpicos de Seúl en 1988, na carreira de 5.000 metros. Anos máis tarde pasou á modalidade olímpica de 10.000 metros, con senllas participacións en Barcelona (1992) e Atlanta (1996). Gómez foi cinco veces campión estatal na proba dos dez quilómetros, en 1989, 1991, 1993, 1995 e 1996. Así mesmo, proclamouse vencedor na media maratón en dúas ocasións (1992 e 2003). Por outra banda, en 1997 obtivo o segundo posto na maratón de Róterdam cunha marca de 2:07.54, récord do Estado español. O atleta, para moitas seguidoras e seguidores do atletismo o mellor fondista galego da historia, fora recoñecido o pasado ano como 'Vigués Distinguido' pola súa existosa traxectoria. |
NOS_52166 | Varias persoas consumidoras denuncian os intentos de empresas eléctricas, nalgúns casos mediante a intimidación, para conseguir que cambien de compañía ou tarifa. | A empresa Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega denunciou esta segunda feira que "as empresas do Oligopolio", entre as que enumeran Naturgy, Endesa ou Iberdrola, están a lanzar unha campaña, a través de "chamadas ameazantes" para manter e mesmo aumentar o número de clientes. Naturgy gaña 557 millóns até xuño, un 15% máis "Estamos recibindo consultas das socias indicando que reciben chamadas das empresas do Oligopolio, incluso ameazando co corte da subministración eléctrica si non quedan ou regresan", criticou a compañía nas súas redes sociais. Ángel Montero, traballador da cooperativa, explica a Nós Diario que esta práctica é habitual. Un achegado seu narroulle como a súa nai, de avanzada idade, "recibiu unha chamada de Naturgy para ameazala con cortarlle a luz". "Esta muller non ten contrato con Naturgy, e aínda así ameazárona con deixala sen electricidade se non se ía con eles" detalla Montero. "Xa recibíramos máis denuncias do estilo, e decidimos dalo a coñecer", engade. O BNG reclama nacionalizar as grandes eléctricas: "A enerxía é un ben esencial e debe ser público" Neste sentido, explica que as grandes empresas do mercado enerxético deseñan a súa estratexia pensando nas persoas maiores ou con dificultade para o acceso á información. "Chaman a persoas maiores ou máis vulnerábeis e engánanos ou directamente ameázanos para que cambien unha tarifa, de compañía... Todo con tal de non perder clientes e poder". Incremento das chamadas ás portas do inverno Montero subliña que as empresas poñen en marcha este tipo de campañas ás portas do inverno, cando a enerxía é máis necesaria para quentar os fogares. "Saben ben cando actuar e como conseguir convencer as persoas para que fagan o que eles queren", lamenta. "Recibimos moitas chamadas de persoas ás que lles 'obrigaron' a cambiar de tarifa para pagar menos, e que finalmente acaban pagando moito máis". Iberdrola agochou as súas tarifas reguladas de luz e gas para evitar o acceso a prezos máis baratos A pasada semana deuse a coñecer que Iberdrola configurou a páxina web de Curenergía, a súa comercializadora de luz e gas baixo a tarifa regulada, para que esta non fose visíbel nos motores de busca e dificultar o acceso de usuarios e usuarias a prezos da enerxía máis baratos. Varias asociacións de consumo denunciaron nos últimos meses que as grandes empresas eléctricas do Estado español están a pór diferentes impedimentos para intentar evitar que as persoas usuarias pasen á tarifa regulada TUR. Para aquelas persoas que reciban este tipo de chamadas ameazantes, o traballador de Nosa Enerxía Sociedade Cooperativa Galega explica que o primeiro que deben ter claro é que o cese de subministro eléctrico a un domicilio segue un procedemento regulado, "non se fai por teléfono". "Debe haber unha comunicación por burofax, cuns determinados prazos e cunhas determinadas cuestións estipuladas, non é algo que se faga dun día para outro". O debate enerxético, na cabeza ou cola? "A xente que sufra este tipo de chamadas pode pórse en contacto con nós. A cooperativa naceu para empoderar as consumidoras e axudalas ante os abusos das empresas do Oligopolio e intentar cambiar o modelo do mercado eléctrico", conclúe Montero. |
NOS_22714 | A CIG denuncia a falta de protocolos "serios" que garantan un inicio do curso seguro | A CIG rexistrou de forma telemática unha denuncia ante a Inspección de Traballo na Galiza para exixir ao Goberno galego que garanta "unha reapertura segura" das escolas infantís, algo que, entenden, non pode asegurar agora xa que non se realizaron avaliacións de riscos laborais en cada centro nin hai, ao seu xuízo, "protocolos serios" contra a covid-19. Zeltia Burgos explicou, acompañada de varios delegados sindicais reunidos fronte ás instalacións da Consellaría de Política Social, que "a día de hoxe" non se facilitaron os horarios de traballo ás traballadoras, que se incorporan o 1 de setembro, e non se sabe "como van ser eses chamados grupos burbulla". Estes grupos, pensados para que os integren sempre os mesmos nenos e os mesmos profesionais ao seu cargo, son "a medida fundamental a medio e longo prazo" para o coidado dos máis pequenos, dixo Burgos, que pediu que se garanta a parella educativa en todos os centros da Axencia Galega de Servizos Sociais e do Consorcio de Igualdade e Benestar. Alumnado desatendido Este modelo, que supón a existencia de dous profesionais a cargo dun grupo determinado de menores, non é o que se aplica en todos os centros dependentes da Consellaría de Política Social, de modo que nos casos nos que non o hai, se un bebé presenta síntomas, queda illado e se activa o protocolo de covid-19, "o resto dos bebés quedarían sós", expuxo a sindicalista. O protocolo "unilateral" da Xunta, agregou, é "inaplicábel e inasumíbel" se non hai un incremento de persoal, manifestou. En opinión de Burgos, "non chega" con que os pais non poidan acceder ao interior e deban levar máscara. "Iso non son medidas preventivas serias", protestou, e destacou que "non hai avaliación de riscos laborais en cada centro". A isto engadiu que unhas 2.000 traballadoras aínda non saben como van ser os seus horarios de traballo nin como se resolven as medidas de conciliación solicitadas ou como deben afrontar as tarefas se están embarazadas. "É a 'pescadilla' que se morde a cola e é unha inseguridade total para os compañeiros, para os nenos e para as familias", criticou. Por iso, pediu á autoridade laboral que tome medidas e "obrigue a que se fagan avaliacións e uns protocolos serios e de forma consensuada con toda a comunidade". |
NOS_50693 | Nos últimos anos, son varias as editoriais galegas que abren espazos para ocuparse dos textos escritos para o teatro. Tradicionalmente esquecida, a literatura dramática comeza a abrirse un discreto oco nos catálogos das editoras galegas, aínda que a súa aceptación por parte do público lector segue estando en cuestión. | Durante anos, foi case un imperativo repetir o mantra de que o teatro tamén se le: unha resposta, máis voluntarista que funcional, a unhas prácticas editoriais que apenas se facían eco da obra dos autores contemporáneos. Aínda agora, non resulta fácil atopar nas librarías os textos de autores e autoras que reciben premios ou que obteñen o beneplácito do público e da crítica sobre as táboas. Porén, algo semella estar cambiando e, se ben estamos moi lonxe de falar dun boom editorial, si que se pode percibir unha maior atención das editoras á literatura dramática. Esta semana, sen ir máis lonxe, Galaxia vén de anunciar o lanzamento dunha nova colección dedicada ao teatro, que se abre con Papiroflexia, de Fernando Castro Paredes e que continuará en breve con Os fillos do sol, de Cándido Pazó, unha obra que reimaxina os últimos anos de Eduardo Pondal.Francisco Castro, director de Galaxia, afirma que a editorial leva uns anos dando pasos para incorporar a literatura dramática ao corpus da editorial: "Hai anos que estamos incluíndo obras teatrais para a infancia e a mocidade nas coleccións Árbore e Costa Oeste. En 2018 creamos o Premio Vidal Bolaño para obras dramáticas dirixidas ao alumnado de ESO e Bacharelato. O paso seguinte tiña que ser integrar o teatro para adultos, que é o público ao que se dirixen as obras que editaremos nesta nova colección". Xerais vén de publicar As desterradas, de Carme Varela, obra gañadora do Premio Álvaro Cunqueiro, na súa Biblioteca Dramática Galega, unha das coleccións de textos dramáticos máis veterana. Mais Fran Alonso, director da editorial, cre que hai outros camiños ademais do das coleccións específicas. "Nós levamos un tempo introducindo textos teatrais en coleccións de literatura infantil, tratando de escapar dese peso excesivo que ten a narrativa cando falamos de libros para crianzas. E quizais desde aí podemos sensibilizar sobre a necesidade de atender a xéneros como o teatro. En ocasións, con moito éxito: textos como os de Paula Carballeira ou Carlos Labraña gozan dun suceso que non ten nada que envexar ao de moitas obras narrativas". Xosé Ballesteros, director de Kalandraka -que iniciou unha colección teatral en 2017-, sinala outra necesidade: a de editar os textos para fixar o repertorio contemporáneo. "Nós iniciamos a nosa colección de teatro cando lle outorgaron o Premio Nacional de Teatro a Chévere, pensando que era preciso que obras tan clásicas da nosa dramaturxia como Río Bravo, ou tan imprescindíbeis como Citizen, estivesen ao alcance do público lector. O teatro, desde o punto de vista editorial, sempre foi un xénero moi maltratado, e é preciso devolverlle a dignidade ao xénero. E se podemos, debemos facelo, aínda que as vendas non sexan excesivamente boas". Buscar o público Precisamente parecen ser as vendas as que limitan o potencial comercial dos textos teatrais. É habitual que se repita que o teatro é "difícil de ler", que a literatura dramática non goza do favor do público e que, daquela, as editoriais prefiren non arriscarse cun xénero que vende pouco. Mais Francisco Castro cre que se trata dun prexuízo: "Tamén se adoita dicir iso da poesía, mais nós temos coleccións de poesía como Dombate na que publicamos dez ou doce títulos ao ano e temos que reimprimir moitos deles. É un bucle que hai que romper: véndese pouco porque se publica pouco, e iso leva a que as vendas sexan escasas. Se damos o paso e publicamos máis autoras e textos, o xénero irá atopando o seu público de forma natural". Alonso cre que o feito de que o teatro teña como último destino a representación é algo que pode pesar nas escollas do público, mais que existen obras que poden rachar con esa predisposición: "A obra que acabamos de publicar, As desterradas, ten un desenvolvemento dramático moi fácil de seguir para un lector de narrativa. E o mesmo sucede con outras obras que editamos hai anos e que desde entón non deixan de reimprimirse, como por exemplo Limpeza de sangue, de Rubén Ruibal. Cada texto ten que buscar o seu público e é necesario subliñar que non todas as obras de teatro son iguais, do mesmo xeito que non o son todas as novelas". Sobre a nova atención dedicada aos textos dramáticos, Castro cre que "a edición galega está agora nun estado de normalización moi avanzado e é lóxico que comece a abrir camiños que ata o de agora eran máis difíciles de abordar". Fran Alonso, apunta nesa mesma dirección: "Non sei se se pode dicir que a normalización da industria editorial é completa -gustaríame pensar que é así- pero o que si que é certo é que cada vez xorden máis proxectos editoriais que van completando ese pequeno microcosmos que é a edición, e que iso permite absorber e potenciar mellor todo tipo de xéneros e de contidos". Ballesteros, porén, cre que o que ocorre é que "a evolución das técnicas de impresión permite facer tiradas máis pequenas sen demasiado custo e iso posibilita acometer a edición de títulos que previsibelmente se venderán pouco. Mais a edición galega segue nun estado moi precario. Existe máis variedade, e iso pode levar a unha percepción equivocada da realidade: cada vez hai menos lectores e lectoras en galego, porque cada vez o uso da lingua é menor. Os números seguen sendo os que son, e todos os informes din que diminúe tanto o público lector coma o número de títulos publicados na nosa lingua". Premios e clásicos contemporáneos Edicións Positivas vén de publicar A vinganza de Fortinbrás, de Francisco A. Vidal, gañador do Premio Laudamuco para Textos Teatrais. É un outro título que se engade a un catálogo cada vez máis numeroso de literatura dramática e que inclúe as coleccións 'O Papel do Teatro', que edita os textos das montaxes postas en escena polo Centro Dramático Galego; 'DiTeatro', unha serie máis aberta na que teñen cabida desde clásicos como Ibsen ou Valle até dramaturgas novas como Paula Carballeira ou Esther F. Carrodeguas; e unha Biblioteca Roberto Vidal Bolaño na que editou a obra completa do imprescindíbel autor compostelán en catro volumes, así como varios títulos soltos da súa produción. |
PRAZA_7260 | A mobilización terá lugar o 8 de febreiro en Compostela e o lema será elixido entre as que propostas que calquera persoa queira realizar nas vindeiras semanas. | A política lingüística do Goberno de Alberto Núñez Feijoo terá resposta na rúa, unha vez máis. A plataforma Queremos Galego chama a manifestarse o 8 de febreiro en Compostela para denunciar a perda constante no número de galegofalantes, da que consideran que "o principal responsable" é o presidente da Xunta. "Nunca houbo tanto desprezo ao idioma de Galiza por parte dun goberno na etapa democrática", destacan. "A enquisa do IGE é a consecuencia lóxica de 33 anos de inacción da administración con respecto ao noso idioma, que sobrevive nunha situación de liberdade vixiada e de oficialidade formal mais non real" Os recentes datos do IGE activaron as alarmas. Para a plataforma, a enquisa feita pública polo IGE "é a consecuencia lóxica de 33 anos de inacción da administración con respecto ao noso idioma, que sobrevive nunha situación de liberdade vixiada e de oficialidade formal mais non real". Para a plataforma "a política da actual Xunta de Galicia con respecto á lingua galega agravou máis esta situación ao incidir nos prexuízos que xa sofría o galego e ao iniciar uns retrocesos sen precedentes na etapa democrática que se concretaron, entre outras disposicións na modificación da Lei de Función Pública para eximir ás e aos opositores da proba en galego, ou no Decretazo contra o galego 2010, que prohibe a impartición en galego de determinadas materias e que provocou as maiores mobilizacións en Europa na defensa dunha lingua propia". Así mesmo, Queremos Galego acusa a Núñez Feijoo de "mentir e pretender humillar e botarlle a culpa ás familias cando sinala que 'nunca se ensinou tanto galego' ou que a 'responsabilidade é das familias'. Fan un chamamento especial a mobilizarse "ás nais e pais que sen falar galego queren que as súas fillas e fillos o coñezan e teñan competencias nel para poder utilizala" Para Queremos Galego "todos os pequenos avances que puido haber con respecto ao idioma foron froito do impulso da sociedade" e instaron á xunta a derrogar "o decretazo do galego e pór en marcha dunha vez o PXNLG que ven de facer 10 anos". "O lema da convocatoria seleccionarase entre as propostas que vaian chegando a Queremos Galego das persoas que apoian a plataforma e das entidades adheridas" "Este é o momento de asegurarmos o noso futuro colectivo e de mobilizarnos para defender a nosa lingua, a nosa existencia", subliña a Plataforma, que chama "a todo o pobo galego a participar, independentemente da súa opción política, e dar a máis ampla mostra de unidade en torno á lingua" e cun chamamento especial "ás nais e pais que sen falar galego queren que as súas fillas e fillos o coñezan e teñan competencias nel para poder utilizala". Queremos Galego organizará actos previos en todas as cidades e vilas para difundir e dar forma á mobilización. Como novidade, o lema da convocatoria seleccionarase entre as propostas que vaian chegando a Queremos Galego das persoas que apoian a plataforma e das entidades adheridas. |
NOS_2595 | Os populares impiden mesmo que se debata en pleno a creación dunha comisión sobre a catástrofe ferroviaria. BNG e AGE solicitaban conxuntamente, e á luz dos novos dados e das novidades das investigacións xudiciais, que se constituíse o organismo. | Botando man da súa maioría absoluta e por terceira vez, o PP impediu que no parlamento de Galiza se investigue a maior catástrofe da historia do noso país e que orixinou 79 mort@s. Nesta ocasión, os populares mesmo vetaron na Xunta de portavoces decorrida esta terza feira, que a proposta de crear unha comisión de investigación a tal efecto fose debatida no Pleno da Cámara galega. Como nas dúas ocasións anteriores, desde o PP xustificouse a negativa en que é unha cuestión de competencia estatal e non autonómica. Tanto BNG como AGE xa lembraron aos populares que esas eran desculpas de mal pagador e que o propio regulamento da Cámara permitía a comisión. BNG e AGE presentaran conxuntamente esta petición após saír á luz novos dados, tales como a advertencia do xefe de maquinistas de Ourense sobre o perigo da curva de Angrois e a insuficiencia de medidas de seguridade "que desmonta a tese de Adif e do Ministerio de Fomento sobre a ausencia de queixas formais sobre o trazado". Hipocresía Ademais, o informe do ano 2002 que alertaba dos riscos da curva de Angrois e o auto do xuíz acusando ao Adif de "regatear na seguridade para primar intereses comerciais" eran novidades que xustifican a creación da comisión. Mais non para o PP, quen a vetou por terceira vez. Jorquera lamentou a actitude dos populares, "por desgraza xa nos teñen afeitos a usar a súa maioría para evitar que no parlamento se debatan temas importantes". O voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, cualificou de "moi grave" a posición do PP e avogou porque "se esclarezan os feitos". O PSdeG, pola súa banda, anunciou que revisará a súa posición "segundo os acontecementos". |
NOS_49163 | Un réxime heteropatriarcal no que a virilidade é símbolo de poder. | A desestabilización do discurso heteropatriarcal implica a creación de novos espazos para a memoria. É de xustiza encher os baleiros históricos, investigar sobre a diversidade humana e recoñecer a existencia dos diferentes colectivos na escrita da súa historia. Durante a ditadura franquista exerceuse con asañamento unha represión brutal contra quen non cumprira co binarismo de xénero e a heterosexualidade obrigatoria. Calcúlase que no Estado Español unhas 4.000 persoas foron detidas na ditadura e fichadas como homosexuais pola policía. Entre os anos 1970 e 1979 encarceráronse uns 1.000 homosexuais, dos cerca de 5.000 que foron xulgados. A concepción heteropatriarcal era o piar dun réxime no que a virilidade é símbolo de poder. Coa ideoloxía do nacionalcatolicismo o modelo é a familia tradicional, a homofobia imperante identifica inversión sexual e militancia de esquerdas. O xeneral Queipo de Llano proclama ao pouco do golpe fascista: "Todo afeminado ou invertido que lance algunha información sobre este movemento, dígovos que o matedes como a un can". Ao principio a persecución céntrase nos adversarios políticos, mais axiña se inicia unha persecución atroz das persoas con orientación sexual diferente á maioritaria, primeiro dirixida aos círculos literarios e artísticos e despois ao ámbito castrense castigando con penas de até 6 anos de prisión os chamados "actos deshonestos con individuos do mesmo sexo", atentatorios contra o honor militar. Asemade se estabelece unha rede de control de toda a sociedade, con premios para as persoas delatoras. A ditadura de Primo de Rivera incluíu no seu Código Penal a homosexualidade. Máis tarde, a II República eliminou calquera mención á homosexualidade de entre as condutas tipificadas como delito. A Lei de Vagos e Maleantes de 1933 está dirixida a xente considerada antisocial, vagabundos, nómades ou proxenetas. A chegada dos valores democráticos da República achegou unha permisividade e un futuro de esperanza, nesgados de súpeto polo golpe militar fascista do 36. En 1935 o Goberno fixo xestións para comprar a illa de Ons e instalar nela unha Colonia agrícola para Vagos e Maleantes mais a oposición veciñal e a situación que atravesaba o país fixeron fracasar o proxecto. Entre outras, as figuras de Blanco Amor, Serafín Ferro, Suárez Picallo, Bouza Brey e moitas que ficaron no anonimato proporcionaron claros exemplos de supervivencia. En 1953 créase un Xulgado especial de Vagos e Maleantes nas Palmas de Gran Canaria, en 1954 o de San Roque e en 1958 os de Madrid e Barcelona. O decreto 1192/1966 fixa a competencia definitiva dos 12 Xulgados de Vagos e Maleantes existentes. O de León, dirixido polo maxistrado Mariano Rajoy Sobredo (pai do ex presidente Mariano Rajoy) alcanza a súa xurisdición ás provincias da Coruña, Lugo, Ourense Pontevedra, Oviedo, Palencia, Valladolid e Zamora. En Dereito Penal substitúese o concepto de responsabilidade polo de perigosidade social. Non son considerados enfermos senón "perigosos" e polo tanto o seu lugar non é o cárcere ou o manicomio, senón institucións capaces de atender o seu problema. O cárcere de Huelva funcionou como centro de rehabilitación para os homosexuais pasivos e o de Badaxoz para os activos. Alí eran sometidos a traballos disciplinarios, como fabricar caixas de peixe ou sogas e ás veces se lles aplicaban terapias. As Colonias Agrícolas para Vagos e Maleantes cumprían a mesma función. Octavio García lembra en diferentes entrevistas o inferno vivido en Téfia (Fuerteventura), colonia creada en 1954. A escaseza de centros destinados a este fin fixo que en moitos casos estiveran recluídos nos cárceres normais, nos pavillóns de invertidos ou en seccións especiais, nas galerías de presos comúns. Durante o réxime franquista os informes da Policía Nacional ou da Garda Civil mostran o trato vexatorio que recibían "por ser propenso á sodomía, por ser afeminado", outro falaban dun "marcado amaneiramento e unha deformación da personalidade psíquica común a case todas as formas de perversión sexual", por non entrar en detalles como a "existencia de dilatación esfinterina no ano", que determinaban que se trataba dun "homosexual pasivo". Ideólogos do réxime, como o falanxista Mauricio Carlavilla, alertaron da perigosidade que representaba para a Patria a homosexualidade, asociada a valores contrarios á familia. Famosos foron Juan José López Ibor e Antonio Vallejo Nájera, dous psiquiatras que aplicaron técnicas terríbeis para curar a homosexualidade, amparados por leis franquistas inspiradas por médicos afíns ao nacional-catolicismo, como Valentín Paz Argiles. A reforma feita por Franco da Lei de Vagos e Maleantes (LVM) de 1933, que incluíu os "invertidos" en 1954, e a Lei de Perigosidade e Rehabilitación Social (LPRS) de 1970 actuaron como elementos represores para a homosexualidade. As memorias da Fiscalía do Tribunal Supremo en 1970 sinalan o ascenso da homosexualidade. A LVM fora un fracaso. A persecución endurécese en 1970 coa LPRS, mais as reivindicacións de diferentes colectivos de gais, de lesbianas e de transexuais , de recente creación, conseguiron que a homosexualidade quedara excluída da devandita lei en 1978, porén a represión non rematou, continuou a persecución amparada baixo o paraugas da Lei de Escándalo Público até 1988. A LPRS e o delito de "escándalo público" foron empregados para reprimir, deter e encarcerar sen xuízo a homosexuais e transexuais na derradeira etapa da ditadura franquista e nos anos posteriores. Milleiros de vidas destruídas polo único feito de seren "homosexual en exceso" ou "esteta" como consta en informes do xuíz Sabater. Máis unha vez cómpre reflexionar sobre o retroceso que supuxo a chegada da ditadura e preguntármonos sobre a situación actual do colectivo se o nefasto golpe non se tivera producido. Na escritura da historia non oficial hai que recoñecer a todas as persoas que resistiron e loitaron polas liberdades. Todas as vítimas que sufriron a represión franquista pola súa orientación sexual merecen a verdade, a xustiza e a reparación. |
NOS_10731 | A selección galega quedou primeira do seu grupo e accede por vez primeira á fase final desta competición. | A selección galega de fútbol tiña onte unha cita coa historia e saíu vitoriosa. Un empate no último partido diante do combinado húngaro de Pest valíalle para clasificarse para a fase final da Copa das Rexións UEFA e co resultado final de 1-1 a Irmandiña conseguiuno ao rematar primeira do seu grupo após os anteriores triunfos diante de Liubliana (Eslovenia) na primeira xornada desta fase intermedia por 3-0 e na segunda contra Xenebra (Suíza) por 2-1. A Irmandiña xa prepara a cita do próximo domingo en Baltar ante Suiza Partido igualado O encontro en Vilagarcía xogouse con intensidade desde o inicio. A Irmandiña púxolle corazón e forza, dominando o campo na primeira parte mais sen concretar entre os tres paus. Nos primeiros vinte e cinco minutos o equipo de Cancela tivo até cinco boas oportunidades mais o balón non atopou o camiño da portaría húngara. A segunda parte comezou coa mesma intensidade e coa selección galega buscando furar as redes do equipo contrario. Comezou cunha oportunidade de Antonio, o central da Galiza, que mandou a pelota fóra á saída dun saque desde o recuncho. Dous minutos despois, no 47', chegaba o gol galego da man de Adri Otero aproveitando unha xogada individual de Jesús Varela que lle serviu o balón fóra de marca. A Galiza loitará a partir desta quinta feira pola UEFA das Rexións Cancela aproveitou os seguintes minutos para realizar trocos na selección e entraron primeiro Aitor Díaz e Martín Pereira por Martín Sánchez e Juanín (52'), despois Aarón e Javicho por Álex Rey e Ube (75') e Carlos Cora por Adri Otero (84'). A presión húngara fixo que chegara no último minuto o gol do empate con aínda algúns minutos de prórroga que concedeu o árbitro e que puxo emoción até o final. O marcador non se moveu e a Irmandiña conseguiu chegar, por primeira vez, á final nesta competición. |
NOS_42922 | "Esquecédevos dos dereitos humanos", dixo o presidente á Policía. | Polo menos nove activistas morreron nas últimas horas a mans da Policía despois de varias operacións simultáneas nas últimas horas en varias operacións levadas a cabo no norte de Filipinas, tan só dous días despois dun discurso do presidente, Rodrigo Duterte, onde ordenaba ás forzas de seguridade to "matar" e "liquidar" todos os rebeldes comunistas no país. Segundo a información da Policía recollida por medios internacionais, foron detidas ademais seis persoas e outras tantas "fuxiron". Ademais, hai orde de detención para 18 persoas. As mortes, dixeron, producíronse por resistirse ao arresto. Porén, a organización de dereitos humanos Karapatan e o partido Kabataan que se tratara de "execucións". Entre os falecidos está Manny Asuncion, un líder sindical na provincia de Cavite, ás aforas da capital Manila, segundo confirmou a federación de mariñeiros Pamalakaya. Outros dous sindicalistas, marido e muller, tamén foron abatidos na provincia de Batangas, informou a publicación estudantil UPLB Perspective, da Universidade das Filipinas. O fillo de Ariel e Chai Evangelista, de 10 anos, permanece en paradeiro descoñecido. As operacións policiais producíronse tras o discurso de Duterte. "Díxenlle ao Exército e a Policía que de se encontraren nun encontro armado cos rebeldes comunistas, que os maten, que se aseguren de matalos, e liquidalos se estiveren vivos", manifestou nunha xuntanza gobernamental para tratar temas de contraterrorismo. "Simplemente asegurádevos de devolver os cadáveres ás súas respectivas familias", dixo, e engadiu: "Esquecédevos dos dereitos humanos. Esa é a miña orde. Estou disposto a ir ao cárcere, ese non é un problema". "Non teño escrúpulos ningúns en facer as cousas que teño que facer", recoñeceu. E dirixíndose aos guerrilleiros comunistas, afirmou: "Sodes todos uns bandidos. Non tedes ideoloxía. Mesmo a China e Rusia son capitalistas agora". Ao mesmo tempo, prometeulles traballo e vivenda se deixaban as armas. Décadas de combates O Novo Exército do Pobo (BHB) é a guerrilla que desde 1968 leva combatendo contra o Goberno filipino, sendo a rebelión maoísta máis duradeira do mundo. Segundo o Exército, o BHB ─brazo armado do Partido Comunista das Filipinas, PKP─ provocou a morte de máis de 30.000 persoas neste tempo. En varias ocasións tentouse alcanzar, sen éxito, un acordo de paz. O seu líder, Jose Maria Sison, está exiliado nos Países Baixos. |
PRAZA_9936 | En Común-Unidas Podemos, BNG e En Marea avogan por achegas específicas para a "desindustrialización" en Galicia fronte ás proposicións máis xerais doutros partidos | Cun cada vez maior problema industrial en Galicia, co futuro das plantas de Alcoa no aire, a incerteza polo peche de térmicas como a de Meirama, os problemas laborais en moreas de empresas ou a necesidade de clarexar unha necesaria transición enerxética, a industria é tamén un dos elementos clave nos programas dos principais partidos de cara ao 28A. Pero non na mesma media nin concreción e con diferenzas evidentes entre a esquerda e a dereita. En Común-Unidas Podemos, BNG e En Marea, por exemplo, coinciden en sinalar a "reindustrialización" de Galicia como clave para o futuro económico. Así o expresa a formación morada, que propón un "plan de impulso do sector industrial galego" que inclúa o incremento de investimentos para clústeres, programas de apoio financeiro específicos para a industria agropecuaria, forestal, naval, do automóbil ou aeronáutica e que fai referencia á eólica terrestre, pero tamén á "mariña", tan polémica e rexeitada por unanimidade en todo o arco parlamentario galego hai tan só uns anos. BNG, En Común e En Marea priorizan a "reindustrialización" de Galicia; as formacións que compartiron candidatura apostan por unha "reindustrialización verde"En Común propón unha "estratexias de reindustrialización verde e economía circular", unha aposta moi semellante á de En Marea, que fala dun "programa de reindustrialización verde e de redistribución da riqueza e dos mecanismos de cohesión social e territorial". A formación liderada por Luís Villares advirte da necesidade de "reverter o proceso de desindustrialización apostando decididamente por modelos de novas tecnoloxías limpas, estruturas de comunicacións en forma de maia e I+D+i", o que supón "reverter" tamén "o proceso de centralización das empresas públicas, centros de I+D e actividades en Madrid". O BNG fala dun "relanzamento da actividade produtiva e a reindustrialización do país" e de políticas industriais "que consoliden os sectores estratéxicos e dean pulo a actividades novas, co apoio á innovación". A formación nacionalista ve necesario o "saneamento" de sectores industriais en crise, como o conserveiro, lácteo, naval ou do aluminio, e unha "política real de industrialización" que inclúa un "incremento considerábel dos fondos a I+D-i" e un plan de industrialización que aposte polo "reequilibrio territorial".O PSOE, pola súa banda, di querer "impulsar" un Pacto de Estado pola Industria coa participación dos axentes sociais que busque "dar cumprimento ao obxectivo da UE de incrementar polo menos até o 20% o peso da industrial no conxunto do PIB".Na dereita, o PP propón unha "política de importantes incentivos fiscais" para empresas altamente innovadoras e a "eliminación de cargas impositivas e gravames que limitan a capacidade investidora" das compañías, así como apoiar o financiamento do I+D+i con "plans específicos para a cooperación entre a industria e os centros investigadores". Ademais, Ciudadanos di que elevará o orzamento en I+D+i para alcanzar o 2% do PIB ao final da lexislatura e que "priorizará" o investimento neste ámbito naquelas autonomías que parten con niveis máis baixos "para evitar unha España a dúas velocidades".En canto a problemáticas específicas, Alcoa e a necesidade duns prezos enerxéticos competitivos son tratados nos programas de partidos de ámbito galego. O BNG pide unha "modificación estrutural do sistema eléctrico" que inclúa "control publico galego dun sector estratéxico e implantación da tarifa eléctrica galega que baixe o prezo da enerxía e compense os custos ambientais da produción térmica, hidráulica e eólica". Ademais, reclama un "estatuto especial para as empresas electrointensivas e o mantemento dos postos de traballo".En Marea propón tamén "garantir prezos competitivos para a industria electrointensiva" e a aprobación urxente dun estatuto dos consumidores electrointensivos na liña do proposto pola formación nas alegacións do actual. Tamén unha "auditoría pública dos custos do sector eléctrico", así como o "control dos oligopolios eléctricos", esta última unha demanda compartida por BNG e En Común, que aposta tamén por "garantir prezos competitivos, xustos e estables para a industria electrointensiva e as renovables".BNG, En Marea e En Común dedican propostas específicas para o conflito de Alcoa; a formación morada aposta por "contratos bilaterais e prezos regulados" e unha Lei contra a deslocalizaciónA formación morada fai referencia explícita a Alcoa, pero tamén a Ferroatlántica ou Megasa, e propón que o estatuto de industria electrointensiva regule as condicións de participación desta industria en "contratos bilaterais e prezos regulados", así como "o acceso a liñas de axuda directa". O obxectivo, din, un horizonte trianual para que estas compañian dispoñan de prezos competitivos e estables. Ademais, aposta tamén por unha Lei contra a deslocalización de empresas que permita activar recursos estatais para "garantir a continuidade e permanencia daquelas empresas que sexan unha fonte crítica ou fundamental de emprego nas súas comarcas". A idea é que as firmas que reciban axudas ou subvencións públicas asinen un contrato de dez anos de permanencia que a Administración teña a obriga de estudar a viabilidade daquelas que queiran marchar para apoiar "técnica e financeiramente os seus traballadores na adquisición" da empresa, se así o deciden. De non ser así, o Estado "poderá asumir a titularidade das instalacións para evitar a eliminación abrupta dos postos de traballo" e facilitar que asuman a titularidade ou, en casos máis graves e falta de viabilidade, "garantir que se recuperen dous postos de traballa por cada posto desaparecido na mesma comarca". O PSOE, pola súa banda, aposta pola "redución do custo enerxético mediante a regulación das redes pechadas de distribución, do estatuto de consumidores electrointensivos e a prórroga da vida útila das instalacións de coxeración". Mentres, o PP aposta por "utilizar os ingresos adicionais que se dervian do aumento dos dereitos de emsión de CO2 nos mercados europeos para modificar a fiscalidade da enerxía, rebaixando así en cada momento do tempo a factura enerxética da industria". "Revogar a prórroga de ENCE"Tamén hai referencias específicas a ENCE nos programas destas tres formacións. En Marea aposta pola "eliminación definitiva da prórroga" á empresa "na súa ubicación na ría de Pontevedra". O BNG pide tamén "revogar" a prórroga "tendo en conta a finalización do período vixente da concesión, co fin de posibilitar o pleno saneamento e rexeneración da ría e o fin do impacto no conxunto do país, coa eucaliptización masiva que provocou historicamente". En Común-Unidas Podemos, pola súa banda, comprométese a "anular as concesións de Ence e Reganosa", así como "fiscalizar os incumprimentos da concesión e facer efectiva a derrogación da prórroga por 60 anos". En canto ao carbón, o BNG demanda "a débeda histórica do Estado coas comarcas mineiras galegas polo incumprimento e exclusión dos sucesivos Plans do Carbón e do fin á discriminación no reparto de recursos de forma que Galiza poida desenvolver unha transición enerxética xusta". A "derrogación" da prórroga de ENCE é compartida por todos os partidos que fan referencia explícita á pasteira; En Común propón anular a súa concesión e a de ReganosaEn Común, pola súa banda, aposta por "reactivar os fondos Miner para as comarcas afectadas polo peche das centrais térmicas de carbón en Galicia" e garantir o "peche definitivo" destas centrais de non adaptarse "aos límites de emisións fixados pola UE". O PSOE, ademais, apunta á "creación de novos empregos nas comarcas máis vulnerables ante a transición enerxética", así como a un "calendario con datas máximas" de peche gradual das centrais térmicas e nucleares. O PP, pola súa banda, limítase a considerar "necesario que as empresas dispoña dunha enerxía barata, sustentable e segura e avanzar na produción de enerxías renovables e na descarbonización, un ámbito no que España está chamada a estar na vangarda". |
NOS_11034 | O Festival Amal 2016 traerá un ano máis a Compostela o cinema euroárabe. Nesta ocasión, os once filmes que se proxectarán do 24 ao 29 de outubro centraranse no papel da muller. | Do 24 ao 29 de outubro, Compostela será o epicentro do cinema euroárabe da man do Festival Amal, que este ano acolle un total de once filmes que serán proxectados no Auditorio de Abanca (Preguntoiro, 23). Organizado pola Fundación Araguaney, a XIV edición do festival de cinema, que leva por lema "Ama, loita, soña, Amal", centrarase no papel da muller na sociedade musulmá e na europea. É máis, as once fitas que se reproducirán, das que a metade foron financiadas por proxectos de crowfunding, son dirixidas por mulleres. Unha das funcións do festival, segundo salientou na presentación Ghaleb Jaber Martínez, director do Amal, pasa por romper os estereotipos do mundo árabe, como os debates arredor do uso do burkini ou os constantes bombardeos a cidades de Oriente. "Con Amal achegamos a voz dos que non poden ser escoitados", salientou. Programación A segunda feira, 24 de outubro, a proxección da fita Ave María, presentada ao Festival de Cannes e nominada para os Óscar a mellor curta, abrirá o festival ás 20.30h. Outros títulos destacábeis da semana son 10 anos e divorciada, unha historia autobiográfica da primeira directora de cine iemení Khadijah Al-Salami; Baraka meets Barakah, primeira comedia romántica de Arabia Saudí; 3.000 noites, una historia de maternidade na máis extrema das circunstancias dirixida pola directora palestina Mai Masri; Nearby Sky, una cinta transgresora que relata o afán dunha muller por participar nas carreiras de camelos; ou Las aventuras do Príncipe Achmed, conto animado alemán de 1926 da directora Lotte Reiniger, a película de animación máis antiga da historia que será musicalizada en directo polo grupo galego Trío Caspervek. As proxeccións poderán verse ao longo da semana cun primeiro pase ás 20h (custo 2 euros) e outro ás 22h (custo 3 euros), agás a proxección da derradeira xornada, que será ás 12h (de balde), e na que se poderá ver A viaxe de Ghada, un traballo audiovisual de alumnado CEP Ventín de Milladoiro (Ames). |
NOS_2367 | A rede social discrimina as e aos galegofalantes nas recomendacións de contidos, pois non contempla o idioma propio da Galiza. Isto provoca, entre outras cuestións, que na cronoloxía se impoña a axenda española fronte á galega. | Danés, divehi, esloveno, esperanto, estonio, euskera, finés, francés, galés... son moitos os idiomas que contempla a rede social Twitter para a selección de contidos recomendados, mais entre eles non se atopa o galego. Prezado @TwitterEspana, estaría ben sabermos por que os galegofalantes non podemos especificar a nosa lingua nas preferencias de contido. E, desde logo, non é porque se use menos aquí que algunhas destas que tedes na lista. Vós saberedes por que nos discriminades. pic.twitter.com/pAesiIYcXp— Manuel Gago (@magago) October 8, 2020 "Non hai posibilidade de dicirlle a Twitter que queres que che recomende contidos na túa lingua", denunciaba nesta rede social o profesor da USC e escritor Manuel Gago, un dos máis especialistas na blogosfera en galego. Unha das consecuencias de que Twitter obvie o idioma propio da Galiza nas recomendacións de contidos é que o 'time line' ou cronoloxía estea ateigada de informacións sobre España, e máis concretamente, debido á actualidade, sobre Madrid. No mesmo fío, o webmaster de Código Cero, Marcus Fernández, lembraba que o galego leva anos en versión beta, é dicir, na versión preliminar. O galego leva unha barbaridade de tempo en beta, e mentres non muden a situación temos moitas limitacións. Que tampouco teñamos as aplicacións móbiles en galego é para facelo mirar, pois as traducións fainas a comunidade. pic.twitter.com/aaNhW4iJS5— Marcus Fernández (@marcusfernandez) October 8, 2020 Isto, advirte o director da publicación tecnolóxica, provoca "moitas limitacións" aos usuarios e usuarias de Twitter que queren empregar a rede en galego. "Que tampouco teñamos as aplicacións móbiles en galego é para facelo mirar, pois as traducións fainas a comunidade", explica. |
NOS_18870 | A axuda está destinada a 2,7 millóns de persoas. | A ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, detallou esta sexta feira que, polo de agora, a Axencia Tributaria (AEAT) recibiu 9.800 solicitudes do bono de 200 euros para baixo nivel de renda e patrimonio, após abrirse hoxe mesmo o prazo para presentalas. As cinco chaves do bono para fogares con baixo nivel de renda e patrimonio Das case 10.000 peticións, máis de 25% corresponden á poboación residente en Andalucía, segundo explicou a ministra nunha visita á Zona Franca de Cádiz. En total, o Executivo estatal prevé que 2,7 millóns de persoas se acollan a esta axuda, que conta cun orzamento total de 540 millóns de euros, recollido no segundo plan contra a crise que o Goberno de Pedro Sánchez agarda convalidar a vindeira semana na sesión plenaria ordinaria do Congreso. Nese paquete de medidas entran, entre outras, "a paralización do incremento dos prezos de aluguer" ou o "incremento anual de 15% do Ingreso Mínimo Vital (IMV) e das pensións non contributivas". Requisitos para acceder ao bono Para poder solicitar esta axuda, as persoas interesadas deberán cumprir unha serie de requisitos. En primeiro lugar, deberán estar dadas de alta na Seguridade Social ou seren desempregadas inscritas na oficina de emprego. Neste caso, será indiferente que cobren ou non a prestación polo paro. En canto aos requisitos económicos, no 2021 deberán xustificar que percibiron uns ingresos inferiores a 14.000 euros e tiveron un patrimonio menor a 43.196,40 euros, sumando todos os ingresos das persoas que vivisen no domicilio da solicitante o 1 de xaneiro de 2022. O último dos requisitos estabelecidos pola Axencia Tributaria é que as persoas interesadas deben contar con residencia legal e efectiva no Estado español na actualidade, e mantida de maneira ininterrumpida, cando menos, nos últimos doce meses. As solicitudes do bono poderán ser respondidas pola Administración estatal até o vindeiro 31 de decembro, tres meses despois do fec hamento do prazo para presentalas. Pasada esa data, todas aquelas solicitudes non respondidas serán consideradas como desestimadas, unha resolución contra a que se poderá interpor un recurso de reposición e reclamación económico-administrativa. |
NOS_34459 | Máis de cen centros de ensino responderon á chamada da AELG e están a organizar hoxe sexta feira recitais poéticos arredor da obra de Rosalía de Castro. Asociacións e concellos súmanse mañá á festa Rosaliana que rematará o domingo, aniversario do seu nacemento, no Panteón de Galegos Ilustres nos actos organizados pola Asociación de Escritores. | Por todo o país e destinado a todas as xeracións. Así foi a festa de tres días que preparou a Asociación de Escritores en Lingua Galega e que hoxe, día lectivo, está a se desenvolver en máis de cen centros de ensinos que remitiron á entidade as súas propostas de actividades para hoxe. Recitais poéticos, proxectos audiovisuais e literarios son as principais iniciativas das que a web da AELG se fai eco e recolle para mostrar a dimensión social da conmemoración e o dinamismo das novas xeracións á hora de facerlle a Rosalía a súa festa de aniversario. Neste sentido, a secretaria xeral da AELG, convida a través dun artigo en Sermos a converter a Rosalía en trending topic co hastag #Díade Rosalía. A ritmo de rap e blues soarán hoxe tamén os versos de Rosalía en Pontevedra, no espectáculo "Rosalía Agora" que prepara a Concellaría de Cultura da cidade no Teatro Principal para as 20 horas. Aid e Sés porán a música nun encontro conducido por Comba Campoy e no que recitarán os seus versos Marga do Val, Rosalía Fernández, Elvira Ribeiro e Anxo Angueira. Tamén o sábado será día rosaliano e arredor de corenta concellos e asociacións preparan a súa celebración polo país enteiro, alén doutras localidades do exterior como Madrid ou Bruselas. Roteiros, recitais e conferencias terán lugar con distintos formatos a través de todo o territorio galego. A AELG pechará as tres xornadas de actos o día do aniversario da escritora, cando no Panteón de Bonaval se lle renda a homenaxe máis solemne con recital poético, a intervención do coro de Solfa, unha ofrenda floral e a lectura dun manifesto no que se reivindica a figura de Rosalía e a apertura pública do espazo no que está soterrada. Nese día a Fundación Rosalía e a Academia desenvolverán tamén actos institucionais na Praza de Vigo de Compostela e na Fundación Rosalía de Castro en Padrón, nunha xornada que comezará coa Alborada a soar polo país enteiro da man da iniciativa promovida pola Asociación de Gaiteiros. "Rosalía non entende de donos; naceu libre e está viva" A proposta tamén da AELG, un grupo de escritoras, con convocatoria a través das redes sociais, elaboraron un video colectivo que ten como obxectivo "seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora ao recitar os seus versos desde o presente". A cineasta Raquel Rei encargouse de editar e montar as imaxes nas que participaron, entre outras, Mónica Caamaño, María do Cebreiro, María Xosé Queizán, Teresa Seara, Helena Villar Janeiro, Xulia Alonso, Eva Veiga, Yashmina Shawk, Begoña Paz, Mónica Bar, Rosa Enríquez, Lucía Novas, Inma López Silva, Estíbaliz Espinosa, Laura Bugalho, Rosalía Fernández Rial, Verónica Martínez, Rexina Vega ou Comba Campoy. |
NOS_35771 | Os sindicatos chaman á mobilización e a actuar contra a suba dos prezos e os efectos da crise na clase traballadora. | Este domingo, primeiro de maio, a clase traballadora galega está chamada a saír as rúas para reivindicar melloras que fagan fronte, entre outras cuestións, á perda de poder adquisitivo e garantan unha saída digna da actual crise económica e social. Será unha xornada que decorrerá no medio dun escenario "extremo", no que se aproveita a guerra para xustificar unha situación económica, social e industrial que arranca xa de antes Galiza, e que na pandemia empeorou e agora está nun momento moi crítico", explica a Nós Diario o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que incide en que "a carestía da vida e o avance da pobreza en xeral lévanos a que fagamos a reivindicación de 'Contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos'". Entre as peticións do principal sindicato da Galiza, que este domingo se mobilizará en 16 cidades e vilas galegas coa de Vigo como principal, están apostar por unha tarifa eléctrica galega, na que se desconten as peaxes por transporte e aplique 10% de desconto a todas as galegas e os galegos; recortar os beneficios das eléctricas; revisar os salarios conforme ao IPC interanual acumulado e subir o salario mínimo a 1.167 euros (60% do salario medio que marca a carta social europea), entre outras. Un prezo máximo do combustíbel, a revisión do salario conforme ao IPC e fixar o custo da enerxía: as propostas da CIG polo 1 de Maio Pola súa parte, Comisións Obreiras (CCOO) e UXT organizan varias manifestacións conxuntas no país, aínda que a principal, na que participarán os seus respectivos secretarios xerais, terá lugar na Coruña. Todas elas serán baixo o lema 'A solución: subir salarios, conter prezos e máis igualdade'. A este respecto, a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, denunciou que a perda de poder adquisitivo fai que haxa na Galiza "moitas familias que teñen traballo e non chegan a final de mes" ou nas que, pola alza dos prezos, "calquera imprevisto rompe as costuras da economía doméstica". O secretario xeral de UXT, José Antonio Gómez, tamén incidiu na necesidade de adecuar os salarios ao incremento do custo da vida e lembrou que, xunto a estas reivindicacións están as de camiñar cara á xornada laboral de 32 horas, avanzar no compromiso do Goberno español de subir o SMI e traballar "nun estatuto dos traballadores para o século XXI". "Non chegando a todos os obxectivos, a reforma recupera dereitos" Na CUT, pola súa parte, terán moi presentes as loitas obreiras de 1972, das que se cumpren 50 anos e que, un sindicalismo que, como destacan, "rompera con ese outro sindicalismo español que non ía tardar en traizoar ao proletariado todo". Para a CNT o reto transcendental do movemento obreiro é facerse oír, tomar conciencia de clase e contrarrestar a onda de movementos autoritarios, racistas e patriarcais, unha idea que respalda tamén a CXT, que proclama que 'Os dereitos conquístanse loitando'. Mobilizacións A CIG, ademais da manifestación de Vigo, convoca nas outras seis cidades e en vilas como Cee, Ribeira, As Pontes, Foz, Verín, O Barco, Vilagarcía, A Estrada e Cangas. CCOO e UXT irán xuntas na Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo, Ourense, Pontevedra e Vilagarcía, mais UXT maniféstase en solitario en Lugo e Viveiro. A CUT convoca actos na Coruña, Compostela, Vigo e Ourense, mentres que a CNT programa o seu acto central en Compostela e a CXT o seu en Pontevedra. |
PRAZA_17811 | "Para lograr a independencia hai que gañar antes a alcaldía de Barcelona" di agora Quim Torra. É outra entelequia do Procés, pero busca unha candidatura instrumental, neoliberal por suposto, que borrará as conquistas do goberno de Colau | En 2011 Artur Mas accedía ao Parlament en helicóptero para evitar os manifestantes. As retallades do independentista neoliberal diminuíran o gasto en sanidade un 27% e o 12% en educación. ERC importara algo antes o concepto de espolio fiscal. Ideárao a Liga Norte italiana para sinalar que o sur pobre lle roubaba ao norte opulento. Debuxábase así a ruta para abandonar o territorio dos PIGS, pasando as costuras do Perineo para o sur de Tarragona (*). "Para lograr a independencia hai que gañar antes a alcaldía de Barcelona" di agora Quim Torra. É outra entelequia do Procés, pero busca unha candidatura instrumental, neoliberal por suposto, que borrará as conquistas do goberno de Colau "Para lograr a independencia hai que gañar antes a alcaldía de Barcelona" di agora Quim Torra. É outra entelequia do Procés, pero busca unha candidatura instrumental, neoliberal por suposto, que borrará as conquistas do goberno de Colau. Son exemplares: o concello do Estado co maior aumento do gasto social (850 millóns máis que no mandato anterior); unha empresa pública municipal de luz; unha norma para que sexan sociais 1/3 das vivendas a construír; outra que regula os alugueres e máis medidas que non se lerán nos xornais propiedade dos financeiros, construtoras e eléctricas, porque hai que derrotala. (*) PIGS (porcos en inglés) é un acrónimo usado polo Financial Times e outros medios, que se refire a Portugal, Italia, Grecia e España, periferia histórica europea do Mediterráneo e con problemas económicos que os distancia do núcleo europeo. Entidades emerxentes como o Véneto e a Lombardía, e as nacións de Cataluña e Euskadi posúen unhas características económicas e sociais que os achega ao centro de Europa. A instalación de Puigdemont en Bruxelas e a internacionalización do procés no centro da UE é unha necesidade, pero tamén un símbolo. Publicidade |
PRAZA_3118 | As pseudoterapias implicam um risco para a saúde pública, já que tendem a substituir tratamentos provados cientificamente por outros que, no melhor dos casos, som inócuos. A nossa aposta passa por luitarmos por uns serviços públicos mais humanos e dotados do pessoal e meios necessários. E por reivindicar que as empresas privadas deixem de fazer negócio com a nossa saúde. | A Comissom de Cultura Científica da Gentalha do Pichel vem de tirar um texto reflexionando sobre a proliferaçom de pseudoterapias que, infelizmente, se está a dar na nossa sociedade. É o primeiro dumha série de textos que analisarám várias das pseudoterapias mais habituais, os seus princípios e os riscos associados ao seu uso. A Comissom de Cultura Científica da Gentalha do Pichel começou a andar este ano com o objectivo de divulgar o pensamento científico e reinvindicá-lo como um bem comunitário a proteger e desenvolver. O conhecimento elaborado de maneira científica é honesto porque assume a possibilidade de ser declarado falso ao ser contrastado com a experiência. Por dizê-lo doutro modo, o conhecimento científico nom é a verdade absoluta, mas é o que mais vezes demonstrou que nom é falso.Por que umha parte da nossa sociedade mui ligada a movimentos de esquerdas está a abraçar terapias alternativas com nula base científica e que renunciam a provar a sua eficácia de maneira sistemática?Esta é a maneira em que a ciência avança, desbotando as teorias que nom concordam com os experimentos e substituindo-as por outras que explicam todos os fenómenos conhecidos até o momento. Se um novo experimento ou fenómeno nom é explicado pola teoria, esta deve ser substituida. Por isso, a ciência nom está contra as explicaçons novidosas, criativas ou alternativas, mas ao contrário, promove-as. Só com umha condiçom: estas devem contemplar a possibilidade de serem declaradas falsas se os experimentos assim o demonstram.A medicina é umha rama da ciência e, polo tanto, está sujeita á condiçom anteriormente indicada. Os procedimentos que se levam a cabo no centros médicos e hospitais, as medicinas e tratamentos que neles se receitam… fôrom elaborados cientificamente. A comunidade científica é tam honesta sobre eles que, longe de promocioná-los como remédios milagrosos, dispensa-os com umha listagem de efeitos secundários adversos que podem produzir e que fôrom observados em exaustivos estudos experimentais.Deveria ser motivo de orgulho termos sido capazes como sociedade de pormos ao serviço do povo todo este conhecimento, meios, infraestruturas, formaçom e profissionais para cuidarmo-nos da melhor maneira que conhecemos. E deveríamos também, como activistas de esquerdas, luitar por melhoras nestes serviços e rejeitarmos as constantes tentativas de desmantelamento que o poder económico do capital está a levar a cabo através dos seus representantes políticos para acrescentar o seu lucro.As pseudoterapias implicam um risco para a saúde pública, já que tendem a substituir tratamentos provados cientificamente por outros que, no melhor dos casos, som inócuosPor que, entom, umha parte da nossa sociedade mui ligada a movimentos de esquerdas está a abraçar terapias alternativas com nula base científica e que renunciam a provar a sua eficácia de maneira sistemática? A homeopatia, a medicina aiurvédica, a acupuntura, as constelaçons familiares, a hipnose e outras pseudoterapias tenhem em comum o seu rejeitamento a realizarem estudos científicos sobre os seus princípios e a sua efectividade para além do "a mim funciona-me". Mesmo quando algumhas empregam linguagem ou referências científicas para legitimar-se, continuam sem aplicar a metodologia da ciência. Som, polo tanto, dogmas.As razons para o surgimento deste fenómeno som, ao nosso ver, múltiplas. A começar pola degradaçom do sistema público de saúde comentada anteriormente, que fai que a atençom às pessoas seja cada vez mais deficitária (menos pessoal e menos tempo de atençom a cada paciente dá como resultado, ademais dumha atençom médica inadequada, umha sensaçom de deshumanizaçom). Além disto, o desenvolvimento dumha indústria farmacêutica multimilhonária com enorme poder e que se tem provado absolutamente falta de escrúpulos fai que as pessoas mais conscientes tendam a associar medicina científica com lucro empresarial.Mas as pseudoterapias implicam um risco para a saúde pública, já que tendem a substituir tratamentos provados cientificamente por outros que, no melhor dos casos, som inócuos. Existem casos documentados de mortes por cancro nos que as pessoas doentes abandonárom o tratamento de quimioterapia para tentar combater a enfermidade com mudanças de dieta ou outros remédios pseudocientíficos [1]. Também por substituir antibióticos com homeopatia [2]. Detrás destas pseudoterapias hai, sempre, a procura de lucro; nom é casualidade que todas as farmacêuticas tenham a sua linha de produtos homeopáticos.A nossa aposta passa por luitarmos por uns serviços públicos mais humanos e dotados do pessoal e meios necessários. E por reivindicar que as empresas privadas deixem de fazer negócio com a nossa saúdeA nossa aposta passa por luitarmos por uns serviços públicos mais humanos e dotados do pessoal e meios necessários. E por reivindicar que as empresas privadas deixem de fazer negócio com a nossa saúde. Em definitiva, queremos um sistema sanitário ao serviço do povo.Este texto é o primeiro dumha série na que iremos tratando diferentes pseudoterapias com presença na nossa sociedade e analisando os seus princípios anticientíficos e os perigos que implicam para a nossa saúde.[1] Hundreds of Spanish scientists ask for action against pseudoscience "that kills". El País. Javier Salas, Oriol Güell, 2018.[2] Homeopaths warn of further tragedies. BBC News, 2000. |
PRAZA_13237 | O altermundismo educativo está moi vivo, fai protestas, reivindica, e ten propostas. O celebrado en Florianópolis reafirma o papel do Brasil no seu apoio decidido ós movementos sociais, na súa aposta por unha educación transformadora das persoas, os suxeitos chamados a mudar o mundo. | Florianópolis é unha illa ó sur de Río e Sao Paulo, que foi colonizada por azorianos, desde logo que teñen moito parecido, mar bravo, lagoas interiores como a da Concepción, e unha floresta verde moi exuberante como a das illas portuguesas. Alí ven de celebrarse o II Foro Mundial de Educación profesional e tecnolóxico baixo o lema xeral "Democratización, emancipación e sustentabililidade". O Seminario Galego de Educación para a Paz e a Fundación Cultura de Paz son membros natos do seu Consello Internacional e nesa calidade tiven a honra de participar en varios deles, en Porto Alegre, en Gravataí, en Caracas... e agora en Florianópolis O Foro Mundial de Educación (FME) naceu ó albur do Foro Social Mundial (FSM) celebrado por primeira vez en Porto Alegre en 2001. Desde aquela téñense celebrado numerosos Foros Mundiais, algúns deles temáticos e outros territoriais. Entre eles, por exemplo, o ibérico que tivo lugar en Córdoba ou o que organizamos en Santiago de Compostela en 2010 sobre Educación, Cultura de Paz e Dereitos Humanos. O Seminario Galego de Educación para a Paz e a Fundación Cultura de Paz son membros natos do seu Consello Internacional e nesa calidade tiven a honra de participar en varios deles, en Porto Alegre, en Gravataí, en Caracas... e agora en Florianópolis. Brasil sempre sorprende agradablemente, non só pola súa dimensión continental ou pola súa exuberancia paisaxística, senón tamén, polo seu dinamismo e creatividade, polo seu compromiso cos movementos sociais e a educación Brasil, para quen non o coñeza, sempre sorprende agradablemente, non só pola súa dimensión continental ou pola súa exuberancia paisaxística, senón tamén, polo seu dinamismo e creatividade, polo seu compromiso cos movementos sociais e a educación, alí naceu o altermundismo, outro mundo é posible, e alí a educación, desde hai moito tempo, co mestre -sempre na memoria- Paulo Freire, ocupa un lugar central nas políticas públicas que os distintos gobernos do PT veñen desenvolvendo, xunto coa loita contra da pobreza. Estar no Brasil é como volver á casa grande, descubrir que a nosa lingua, con acentos e matices, fálase nun país de máis de 100 millóns de habitantes, a sexta economía mundial, e cun potencial de crecemento extraordinario. O acto inaugural do II Foro Mundial de Educación Profesional e Tecnolóxico, como corresponde a Brasil, fíxose nun sambódromo. En ningún outro espazo máis acaído, sobre todo, porque con 24.000 inscritos, dixen ven, 24.000, de todo Brasil, non había lugar onde xuntalos. Profesores e profesoras de tódolos niveis educativos, mais especialmente dos institutos de formación profesional, abarrotaron, durante 6 días, salóns e aulas, carpas e stands, a cidade enteira, coas súas bolsas e identificacións. Delegacións de máis de 70 países, palestrantes (como chaman ós relatores) internacionais, de América Latina, EE.UU, Europa, preferentemente, para partillar experiencias desde unha perspectiva crítica, emancipadora e sustentable. Algo completamente impensable en España ou en Galicia, que o ministro ou o conselleiro de educación sometan á consideración de varios miles de persoas, na súa maioría profesorado, a súa política educativa No acto inaugural, como dicía, interviron as representacións institucionais, da cidade, do Estado, da Universidade, do FME, Albert Sansano,en nome do Consello Internacional, pero quixera referirme a algo insólito que aconteceu. Diante de máis de 8.000 persoas, o ministro de educación do Brasil, Aloizio Mercadante, atreveuse non só a saudar e facer un discurso laudatorio do FME, senón que pasou a explicar, con todo detalle, a política educativa do seu ministerio, desde a educación infantil ata a universidade, cun resultado desigual. Algunha medidas, como a de dotar de tablets a todo o profesorado, levantaron o entusiasmo dos asistentes. Outras, como as que tiñan que ver cos salarios, a carreira docente ou o ensino superior, provocaron fortes abucheos dos máis mozos, cunha folga convocada para dentro duns días, e berros de ¡mentira! ¡mentira! Algo completamente impensable en España ou en Galicia, que o ministro ou o conselleiro de educación sometan á consideración de varios miles de persoas, na súa maioría profesorado, a súa política educativa. Nas sesións plenarias, todas as máñás, de 9:00 a 12:30 horas, a participación foi extraordinaria, o salón de actos, de 2.600 butacas, completamente cheo, durante máis de tres horas, e actividades paralelas autoxestionadas, con niveis de participación elevadísima. Informouse de que, diariamente, máis de 15.000 persoas circulaban polos distintos espazos de maneira permanente e simultánea. Damos fe. A primavera árabe, o movemento 15 M, as redes sociais, as transformacións derivadas da Internet, o software libre, as experiencias educativas dos institutos de formación profesional de Brasil e do mundo, os cambios producidos polas novas tecnoloxías nos sistemas escolares, a formación inicial, a formación en servizo... e música, teatro, marionetas, audiovisuais, exposicións, stands dos institutos, de todos os estados do Brasil, nun enorme Forum coa educación como motivo e compromiso. O altermundismo educativo está moi vivo, fai protestas, reivindica, e ten propostas O Consello Internacional do FME acordou, pola súa parte, darlle continuidade ás súas actividades e estruturas de participación política, preparar o vindeiro Foro Mundial de Educación que se celebrará en Túnez, participar activamente cun documento propio e diversas iniciativas na reunión de Río + 20 e no Cumio dos Pobos que empeza nuns días, e apoiar a celebración do III FME temático, profesional e tecnolóxico, en Pernambuco. O altermundismo educativo está moi vivo, fai protestas, reivindica, e ten propostas. O celebrado en Florianópolis reafirma o papel do Brasil no seu apoio decidido ós movementos sociais, na súa aposta por unha educación transformadora das persoas, os suxeitos chamados a mudar o mundo. Parabéns merecidas e grazas, moitas grazas, Brasil. |
NOS_19551 | Nas mesmas contas, o PP recortou un 14% os gastos en persoal. Con este pano de fondo, analizamos a Lei de Garantías Sanitarias que entrou en vigor o 3 de marzo. | Son doce hospitais os que na Galiza teñen un concerto coa consellaría de Sanidade para que o Sergas poida desviar o 47% d@s pacientes que chegan a centros públicos. Facturan 740 millóns ao ano e reciben máis de 135 millóns en diñeiro público, segundo recolle o libro dos orzamentos de 2014 e sumando unicamente os conceptos que aparecen no capítulo titulado 'Asistencia sanitaria con medios alleos' e, no concreto, 'Concertos con entidades privadas'. Con este pano de fondo, no número 88 do semanario en papel o Sermos Galiza debulla as "garantías sanitarias" que carrexa a Lei do mesmo nome, aprobada só cos votos do PP e que entrou en vigor o 3 de marzo. |
NOS_36827 | Profesorado e alumnado concentrouse nos centros de secundaria contra a lei e as reválidas. A práctica totalidade dos estudantes que votaron na consulta convocada por Erguer rexeitaron a Lomce. | Máis unha vez, a LOMCE recibiu en Galiza un rotundo rexeitamento. Un 'non' que se concretou tanto en forma de concentracións de profesorado e alumnado nos diferentes centros de Galiza como na participación no referendo convocado por Erguer en máis de trinta centros de 20 comarcas galegas. As protestas insírense na campaña de mobilizacións que vén desenvolvendo a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público desde que se coñeceu o contido da LOMCE. Mobilizacións que continuarán até que consiga que as reválidas e a LOMCE "desaparezan de todos os textos legais". O portavoz da PGDEP, Anxo Louzao, que participou na concentración convocada no IES compostelán Rosalía de Castro, amosou a súa preocupación porque a estas alturas o conselleiro de Educación "non asuma a súa responsabilidade, como máxima autoridade educativa na Galiza, e que chegue mesmo a afirmar que non hai por que estar preocupados porque a reválida será moi semellante á actual selectividade". Referendo Nesta xornada máis dunha trintena de centros de ensino de 20 comarcas diferentes acolleron un referendo simbólico para que o estudantado exprese a través do voto a súa opinión a respecto da LOMCE. "É unha consulta simbólica na que chamamos o estudantado a votar si ou non a esa lei e así que se visibilice a opinión real que este ten da LOMCE", explicaba na presentación da iniciativa Iria Figueroa responsábel nacional de Erguer, a organización estudantil que impulsa este referendo. O resultado da consulta, na que tomaron parte case 5.000 estudantes deixou un resultado ioncontestábel: o 99% dos votos foi para o 'non' á Lomce |
PRAZA_19063 | O Goberno transferiu 830.000 euros do tícket eléctrico a outras finalidades, case o duplo do distribuído en axudas. Entre os gastos atendidos figura a cota da Fundación Feiras de Lugo ou alumeado do Gaiás. Economía asegura que en 2017 achegará "o que sexa necesario" a estes subsidios | Nos Orzamentos para 2016 a Xunta incrementou un 40% a partida destinada a sufragar o "tícket eléctrico", a axuda para sufragar parte do gasto enerxético en fogares con poucos recursos equivalente a, aproximadamente, un recibo e medio ao ano, que posteriormente foi "complementada" coas "axudas urxentes" para "evitar os cortes". Cunha dotación que ascendeu dende os 1,5 millóns de euros de 2015 a 2,1 millóns en 2016, nese exercicio a Consellería de Economía publicou a convocatoria das axudas, que as familias interesadas tiñan que solicitar a través de internet dende mediados de xaneiro ata finais de xullo do pasado ano. Unha vez finalizado ese prazo as axudas distribuídas eran moitas menos das 7.000 que o Goberno estimara nas súas contas e o avultado orzamento comezou a ser destinado a outros gastos da Administración, alleos ás axudas para pagar a luz. A finais do pasado novembro os fondos transferidos superaban xa os 800.000 euros, case o 40% do orzamentado para o tícket. Tras incrementar 600.000 euros o orzamento do tícket eléctrico a Xunta trasnferiu xa 830.000 a gastos alleos a el O primeiro montante transferido de cartos inicialmente destinados a financiar o tícket eléctrico social foi de pouca entidade: 8.950 euros que Economía moveu a mediados de setembro para sufragar o "traballo técnico" de "elaboración do anteproxecto de uso lúdico de augas termais", que a Consellería contrata coa Fundación Universidade da Coruña. Nese mesmo mes o Consello da Xunta autorizou outro traspaso de maior contía: 125.000 euros das axudas para pagar a luz foron traspasados á contratación "con carácter urxente" de "estudos e investigacións relativos a plans e programas de investimento en campañas publicitarias" vinculadas á "promoción laboral e fomento do emprego". Como avanzou Praza.gal, esa operación foi autorizada polo Consello da Xunta tres días antes das eleccións, pero o Goberno non incluíu a decisión na referencia pública dos acordos desa reunión. En outubro, co Goberno en funcións, as modificacións orzamentarias para recolocar fondos do tícket eléctrico foron máis cuantiosas. O día 4 dese mes Economía decidiu financiar con 150.000 euros desta partida o acordo que asinara en setembro coa Consellería de Sanidade para sufragar a mellora da sinaléctica dalgúns hospitais. O departamento de Francisco Conde transferiu os cartos a Sanidade, que á súa vez os colocou na partida do Sergas para plans directores e actuacións en centros hospitalarios. Entre os gastos atendidos con fondos das axudas figura a demanda de Corcoesto, sinais de hospitais, un estudo sobre publicidade ou a cota da Fundación Feiras e Exposicións de Lugo No mesmo mes de outubre Economía realizou o que ata agora foi o movemento dun maior volume do orzamento que ía financiar as axudas ao pagamento das facturas eléctricas: 295.050 euros para tres gastos xa previstos da Dirección Xeral de Comercio, dependente da mesma consellería. Ata 165.550 euros desa operación foron parar á cota que lle correspondeu achegar á Xunta na súa calidade de membro do padroado da Fundación de Feiras e Exposicións de Lugo, segundo un acordo adoptado por ese órgano en febreiro dese ano, dúas semanas despois da apertura do prazo para solicitar o tícket eléctrico. Outros 79.500 euros desa transferencia achegáronse ao pago de "actividades de fomento comercial" que, admite a Xunta, xa estaban programadas. Cos restantes 50.000 a Consellería "afrontou o pagamento de recursos contra ordes de axudas de exercicios anteriores", segundo xustifica na modificación orzamentaria que, como manda a lei, tivo que remitir ao Parlamento. O último día do mes Economía recorreu de novo aos fondos do tícket eléctrico para outra finalidade ben distinta á orixinal: Como avanzou este diario, transferiu 140.000 euros para afrontar a demanda que a multinacional mineira Edgewater mantén contra a Xunta para esixir poder explotar a mina de ouro en Corcoesto. 111.000 euros do tícket eléctrico foron traspasados para financiar alumeado da Cidade da Cultura A que ata agora foi a última transferencia rexistrada de fondos procedentes da axuda eléctrica si ten que ver coa luz, pero non precisamente coa política social ou coa loita contra a coñecida como pobreza enerxética. O 4 de novembro a Consellería de Economía decidiu botar man de fondos orzamentados en dúas das súas partidas para, como avanzara Faro de Vigo, atender, con 201.763,49 euros, o compromiso ao que chegara coa Consellería de Cultura e Educación para cofinanciar a "iluminación complementaria" da Cidade da Cultura. 111.000 euros saíron do tícket eléctrico e os 90.700 restantes, da partida que Economía dedica a reparacións e mantementos dos edificios dependentes dese departamento. A Consellería colocou eses fondos na súa partida de transferencias de capital e achegoullos á Fundación Cidade da Cultura o día 15 do mesmo mes. Acadouse así, polo momento, a cifra de 830.000 euros de fondos retirados do orzamento do tícket eléctrico. Deste xeito, os fondos que acabaron cun destino diferente xa son máis avultados que o incremento do orzamento destas axudas entre 2015 e 2016. As axudas concedidas Daquela, que parte dos 2,1 millóns de euros orzamentados para o tícket eléctrico acabaron, efectivamente, servindo para axudar ao pagamento da factura da luz para familias con poucos recursos económicos? O conselleiro Francisco Conde indicou en decembro no Parlamento que as familias beneficiadas por estes subsidios foron unhas 5.000 dende o ano 2014, moi lonxe das 40.000 que Feijóo estimara cando anunciou a ampliación da axuda ás portas das eleccións municipais de 2015. Fontes da Consellería cuestionadas ao respecto por Praza.gal detallan, non obstante, que "o Goberno galego axudou a máis de 6.000 fogares a facer fronte aos seus gastos de enerxía eléctrica" dende ese ano. Apenas o 21% orzamento do tícket acabou financiando axudas ás familias No que atinxe a 2016, ano no que as axudas se sufragaron co orzamento despois reducido, a terceira e última resolución publicada pola dirección xeral que xestiona o tícket, o pasado outubro, indica que aprobou 761 solicitudes por un importe total de 148.694 euros. As mesmas fontes oficiais explican que "o importe concedido para todas as axudas que se solicitaron", isto é, a suma das tres resolucións, "foi de 433.200 euros", cun total de 2.168 persoas beneficiarias. Así as cousas, apenas o 21% orzamento do tícket acabou financiando facturas eléctricas das familias, cun importe achegado que é practicamente a metade do orzamento transferido a outros gastos da Administración. Quedarían, daquela, uns 837.000 euros sen asignar, parte dos cales puideron, non obstante, ser transferidos nas modificacións orzamentarias de decembro, aínda non entregadas á Cámara. Nos Orzamentos de 2017 os fondos do tícket eléctrico descenden un 62%, se ben a Xunta asegura que achegará "o orzamento que sexa necesario, sen límites" Tras o sucedido en 2016 a Consellería de Economía anuncia para 2017 unha "simplificación" destas axudas que, en calquera caso, disporán dun orzamento inicial dun 62% menor, toda vez que o proxecto de contas públicas que actualmente se tramita no Parlamento dota o tícket con 793.115 euros. Dende a Consellería asegúrase a este diario que "como xa se fixo durante este tempo, este ano destinarase o orzamento que sexa necesario, sen límites, para seguir axudando as familias con menos recursos" e sublíñase ademais que ao tícket eléctrico "sumouse o ano pasado un mecanismo automático, sinxelo e eficaz para evitar o corte de luz por impago ás familias con menos recursos, que neste 2017 se estende tamén ao gas natural". |
PRAZA_20499 | O monumento, que homenaxea tres traballadores lusos das obras de construción da liña ferroviaria e que foron fusilados polos partidarios do golpe de Estado, foi inaugurado en 2012. O grupo de investigación Histagra anuncia que será reposta e pide que este atentado non quede impune | No verán de 2012 foi inaugurada en Campobecerros (Castrelo do Val) unha placa que homenaxeaba tres carrilanos portugueses (traballadores das obras de construción da vía ferroviaria entre Ourense e Zamora) asasinados en agosto de 1936 polos fascistas. O monumento foi obxecto dun atentado hai unhas semanas, que o deixou parcialmente destruído. O grupo de investigación Histagra (USC) anuncia que a placa será restaurada e pide que "este acto non quede impune". "Que teñan por seguro aqueles que o cometeron que a memoria de todas e todos aqueles que foron perseguidos pola violencia desencadeada tralo golpe de Estado de 1936 non será esquecida xamais", engade o grupo universitario. "Que teñan por seguro aqueles que o cometeron que a memoria de todas e todos aqueles que foron perseguidos pola violencia desencadeada tralo golpe de Estado de 1936 non será esquecida xamais", di Histagra A homenaxe que tivo lugar hai cinco anos foi impulsada polos profesores Paula Godinho da Universidade de Lisboa e Manuel Loff da Universidade de Porto, polo proxecto Nomes e voces, pola Asociación Cultural Os Carrilanos e polo propio Concello de Castrelo do Val. António Ribeiro, José Maria Sena e Ramiro (descoñécese o apelido) eran tres dos moitos portugueses empregados nas obras do ferrocarril. No momento en que se produce o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 os traballadores organizaron unha forte resistencia contra os fascistas que buscaban facerse co control do territorio, destacando Dionisio Pereira que A Mezquita foi o derradeiro lugar de Galicia en ser ocupado polo franquismo, o 31 de xullo. Calcúlase que medio cento de traballadores do ferrocarril foron asasinados en represalia pola súa resistencia ao fascismo, e que un terzo eran portugueses. O 20 de agosto de 1936 un grupo de gardas civís e falanxistas armados detivo estes tres traballadores lusos en Campobecerros para fusilalos no lugar no que 76 anos despois foi erixido o monumento que os lembra. En Emigrantes, exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940), Dionisio Pereira investiga algúns dos 360 casos de vítimas da represión franquista de orixe portuguesa ata agora documentadas, 68 delas asasinadas. "Os portugueses e portuguesas foron represaliados polos franquistas non pola súa nacionalidade, senón polo seu compromiso coas loitas sociais no noso país e pola súa defensa do réxime republicano, sen distinción dos seus camaradas galegos. Por todo o devandito, concluímos que os emigrantes procedentes da outra banda da raia poden ser considerados naquela altura como galegos e galegas de orixe portuguesa", destacaba o historiador. |
NOS_44992 | A Plataforma Sarriá tilda de "paripé político" o pleno extraordinario deste 6 de marzo en que a equipa de goberno rexeitou dialogar sobre o proxecto do ministerio español de Medio Ambiente. | O Concello de Sarria (PP) encetará unha recollida de sinaturas para que a cidadanía apoie o proxecto de encauzamento do río encetado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, dependente do ministerio español de Medio Ambiente (PP). Anunciouno o alcalde, José Antonio García, no decorrer dun pleno extraordinario solicitado polo grupo municipal do PSdG-PSOE e realizado esta quinta feira, 6 de marzo. García recoñeceu que non conta "co apoio maioritario", mais advertiu tamén de que o plan, que inclúe unha tala de maneiros --especie protexida--, seguirá adiante. Segundo informou o rexedor, o concello estaría disposto a negociar "nunha segunda fase do proxecto", fase que aínda non está licitada. Un "paripé político" "Foi un paripé político", sinalou en conversa con Sermos Galiza Roberto Irimia, un d@s responsábeis de prensa da Plataforma Sarriá, contraria ao proxecto de encauzamento tal e como está formulado porque non toma en conta as causas das anegacións e porque non resolve os problemas coas enchentes dos regatos que desembocan no río Sarria, único ao cal lle presta atención o proxecto da Confederación, avalado polo concello. "Nada de nada" é o que a Plataforma tirou en limpo do pleno, agás a "mentira" de que non será a corporación municipal a que recolla as sinaturas "porque xa vimos algún concelleiro" procurando entre a veciñanza apoios para o devandito plan. "E cal é a consecuencia desas sinaturas? Que acontece se nós xuntamos máis sinaturas das que xunta o concello? Van paralizar as obras?", ironiza Irimia. Denuncia perante a Xunta por danos no Camiño Francés A Plataforma Sarriá presentou perante a consellaría de Cultura unha denuncia contra a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil polas infraccións en que incurriría en materia de protección do Camiño de Santiago. No seu escrito, o colectivo veciñal esixe non só que se paralicen os traballos de maneira "inmediata", senón que se incoe un expediente sancionador contra a Confederación por afectar o Camiño Francés. Reclaman un informe do Comité Asesor do Camiño como paso previo "á prohibición definitiva" das obras. As máquinas voltaron prenderse na contorna do Muíño do Toleiro esta cuarta feira, cando un bo número de persoas se concentraron na pasarela que leva até a illa para impedir que fose derrubada. Namentres, a illa segue ocupada pola veciñanza. A única novidade por aqueles lares é "que saíu o sol". |
PRAZA_14347 | Descentralizouse moi substancialmente o gasto, mais, agás en Euskadi e Navarra, o ingreso ficou moi centralizado. Por razóns totalmente diferentes, nin Galicia (déficit de investimentos chamado débeda histórica e deficiente avaliación do avellentamento e dispersión poboacional a respecto dos gastos social e sanitario) nin Catalunya (transferencia da sanidade moi precaria e falla de consideración do incremento da poboación e da inmigración) recibiron un financiamento xusto | O problema do encaixe de Catalunya na España, como tamén a chamada crise do Estado autonómico e máis a orixe da pulsión recentralizadora, vén, en grande medida, daquela transición. UCD e PSOE prantexaron o café para todos e, despois, a lei da falsa harmonización (LOHAPA) a xeito de freo aos autogobernos catalán, vasco e galego, únicos deseñados na Constitución para implantar pola vía rápida e até o máximo de autogoberno posíbel. Outro freo, no caso catalán e galego, foi a imposición polo Tribunal Constitucional das provincias e Deputacións como contrapeso ao autogoberno autonómico. Descentralizouse moi substancialmente o gasto, mais, agás en Euskadi e Navarra, o ingreso ficou moi centralizado Creáronse 11 ou 12 autonomías sen substrato histórico, económico ou político ningún e dotóuselles, con trampa, de case o mesmo teito competencial galego. Aznar propio foi quen deu cabo a este absurdo, obrigando as dez chamadas "autonomías do artigo 143" a coller as competencias educativa e sanitaria. Mentres, xeralizábanse os Parlamentos e outras institucións políticas, de primeiras só concibidos para Galicia, Euskadi e Catalunya. Descentralizouse moi substancialmente o gasto, mais, agás en Euskadi e Navarra, o ingreso ficou moi centralizado. Por razóns totalmente diferentes, nin Galicia (déficit de investimentos chamado débeda histórica e deficiente avaliación do avellentamento e dispersión poboacional a respecto dos gastos social e sanitario) nin Catalunya (transferencia da sanidade moi precaria e falla de consideración do incremento da poboación e da inmigración) recibiron un financiamento xusto, que o Estado estaba lonxe de garantirlle a ningún territorio, pois que retiña os cartos en fondos estatais que repartía discrecionalmente mentres mantiña as funcións sanitaria, social e educativa (transferidas ás CC.AA.) sempre mal financiadas. Ninguén pode ficar sorprendido que o que se podería resolver coas disposicións políticas e económicas do Estatut do 2006 agora poida precisar de solucións que pasen, cando menos, pola cosoberanía de Catalunya E, logo dun proceso que demostrou a plena vixencia de todas as leis de Murphy, dixoselle ao pobo catalán que o novo marco de relacións con España que tiña refrendado xa non valía. Véuselle dicir polo Tribunal Constitucional o que tantas veces escoitamos en Madrid "oye, gallego, pero tú te has creído que eso de la autonomía va en serio". Entón, ninguén pode ficar sorprendido que o que se podería resolver coas disposicións políticas e económicas do Estatut do 2006 agora poida precisar de solucións que pasen, cando menos, pola cosoberanía de Catalunya. |
NOS_94 | Persoal sanitario de distintos colectivos como o de Enfermeiras eventuais en loita está a deixar patente o seu rexeitamento ao Bono Turístico dirixido ao sector sanitario e sociosanitario que a Xunta habilitou, tras anuncialo a poucas semanas das eleccións do 12-X. | O bono supón para as persoas beneficiarias que se acollan a el a disposición de 250 euros para empregar durante este ano en estabelecementos turísticos adheridos ao programa. "Parécenos pura demagoxia o destino deses 250 euros por persoa, que se poderían empregar en mellorar as contratacións de persoal e os sistemas de protección, que é o que axuda a unha boa sanidade" resume Hugo Bermúdez Rilo, membro de Enfermeiras Eventuais en Loita que traballa no complexo hospitalario da Coruña. Como expón, este colectivo xa se pronunciou noutras ocasións contra a esta medida, que tamén foi contestada desde distintos sectores do ámbito sanitario por considerala "populista" ou unha "esmola". Diversas profesionais queren agora rexeitar de forma pública e individual o bono, ante a imposibilidade de facer unha acción máis notoria "como unha doazón dos cartos a algún colectivo" dada a natureza do pago, que se realiza a través dunha tarxeta prepagamento nominativa a empregar unicamente en hoteis e restaurantes do programa, e que se publicitou, tras as críticas, como un revulsivo para o sector fronte os efectos da pandemia. "Nas nosas reivindicacións nunca falamos de cartos, si da mellora das condicións laborais das compañeiras, sobre todo da estabilidade. Nun dos territorios con peores ratios de enfermeira por paciente dentro dun dos estados con peor ratio de toda Europa, parece demagóxico premiar con 250 euros unha situación de tanto estrés e de tanto traballo", sinala Bermúdez. O profesional tamén chama á Administración sanitaria galega a "non repetir erros" agora que os casos de coronavirus volven medrar. "A inacción completa, a falta de información nos hospitais, as rotacións enorme do persoal, que pasa por servizos sensíbeis un día e está noutras áreas ao seguinte", enumera, para alertar da escaseza de guantes ou batas. "Melloraron os protocolos pero falta o material e sobre todo o persoal para poder levalos a cabo, debiamos ter aprendido algo", alerta. |
NOS_16225 | A dirección xeral da empresa que dirixe Alfonso Sánchez Izquierdo aprobou, de costas ás e aos profesionais e á representación sindical, unha normativa en que tamén prohibe "utilizar a rede corporativa para actividades que poidan atentar contra a moral" e resérvase o dereito a comprobar "de maneira aleatoria" que páxinas da internet se están a consultar desde esa rede corporativa. | A dirección xeral da CRTVG emitiu unha resolución "de usos dos sistemas de información" en virtude da cal se reserva o dereito de revisar os correos electrónicos do cadro de persoal e estabelece unha serie de prohibicións que levan aos e ás traballadoras a falar de "escalada de fasticización" nas relacións laborais desta empresa pública. Nesa liña falou Raquel Lema, secretaria de acción sindical da CUT na CRTVG e, ao tempo, presidenta do Comité Interempresas. Segundo sinala, malia ser de obrigado cumprimento para tod@s @s profesionais do ente público, a norma foi elaborada e publicada "de costas á representación sindical" e estabelece prohibicións "literais". Entende Lema, xornalista e redactora da televisión nacional galega desde 1996, que o obxectivo último desta resolución, que vai asinada por Alfonso Sánchez Izquierdo, é "criminalizar, reprimir e espallar o terror entre os traballadores e as traballadoras para que depoñan actitudes xurdidas nos últimos meses, como a súa participación no blogue Eu non manipulo". A CUT exixiu a retirada da normativa, mais tal requerimento foi rexeitado pola dirección. A central sindical baralla emprender accións legais. Que estabelece a resolución? Sobre o uso do correo electrónico, avísase tamén de que a "CRTVG resérvase o dereito de revisar as mensaxes (…) e os arquivos LOG dos servidores co fin de comprobar o cumprimento desta normativa". Prohíbese "enviar mesaxes de correo electrónico de forma masiva" e "enviar ou reenviar mensaxes en cadea ou de tipo piramidal", así como "configurar ou instalar contas de correo electrónico alleas á CRTVG" ou enviar correos "a foros de discusión, listaxes de distribución ou grupos de noticias que comprometan a reputación da CRTVG". Porén, a resolución impón tamén un veto ao uso "da rede corporativa" para a realización de actividades "que poidan atentar contra a moral ou as normas establecidas pola compañía"; a "enviar información confidencial da CRTVG ao exterior, mediante soportes materiais ou a través de calquera medio de comunicación" ou "posuír, para usos non propios da súa responsabilidade, ningún material ou información propiedade da CRTVG". Aliás, os e as traballadoras verán restrinxido o acceso á internet "aos temas directamente relacionados coa actividade e os cometidos do posto de traballo do usuario". A mesma limitación estabelécese para "o acceso a páxinas web, grupos de noticias e outras fontes de información". Segundo advirte a normativa, "CRTVG resérvase o dereito de monitorizar e comprobar, de forma aleatoria, calquera sesión de acceso a Internet iniciada por un usuario dentro da rede corporativa". |
PRAZA_2330 | Womex volverá a Santiago para 2016 debido aos "bos resultados" da edición anterior, de 2014. O macroevento musical repite na capital galega, á que no 2015 se achegaron 350 músicos procedentes de 90 países. | WOMEX volverá a Compostela en 2016. Santiago competía con máis dunha ducia de cidades europeas, pero os "bos resultados" da edición anterior fixeron posible a elección. Así o salientaron nunha rolda de prensa os representantes das dúas institucións que apoian este encontro: o alcalde da cidade, Martiño Noriega; e o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; xunto con Francisco Viéitez, socio da empresa que o desenvolve, Nordesía Producións. Os datos oficiais da edición do 2014 falan de 2.400 delegados/as e 1.470 empresas de 90 países e unha feira con 668 exhibidores de 47 países e un récord de 280 stand. Coa participación de seis artistas galegos, -entre 350 vidos de 90 países- e 21 empresas dentro do stand Galician Tunes. O 90% do orzamento foi investido, segundo asegura a propio Womex nunha nota de prensa, en empresas locais. Esta semana celébrase WOMEX 15 en Budapest e terá lugar alí a presentación oficial de WOMEX 16. Nela intervirán o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e a concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, ademais de Antón Martínez como socio de Nordesía. No 2014 participaron neste macroevento músicos como Davide Salvado, que fora seleccionado para a sección oficial, así como Uxía e Germán Díaz, -músico de Valladolid afincado en Galicia-. Womex 2014 foi promovido pola empresa Piranha Musik, con sede en Berlín, e como socio local formou parte da organización Nordesía Producións en partenariado con Agadic (Xunta de Galicia), a Cidade da Cultura e o Concello de Santiago. Tamén apoiou o evento INCOLSA, o INAEM, a Deputación da Coruña e a Fundación SGAE, mentres que o principal patrocinador privado foi Maeloc/Estrella Galicia. No 2014, Womex chegara no medio dun reavivado debate sobre a colaboración público-privada no financiamento de grandes eventos nos que a música galega ten unha presenza minoritaria. Unha xornada analizara no Consello da Cultura, poucos días antes do comezo do Womex, o patrocinio privado no financiamento de proxectos musicais. "No contexto actual de crise económica non ten cabida a fórmula dos grandes concertos musicais financiados con cargo a fondos públicos. Isto obriga a repensar as fórmulas de investimento público á hora de organizar proxectos deste tipo", salientaba o Consello. Womex contou tamén, porén, cun importante apoio por parte da Xunta. Womex leva celebradas 21 edicións por toda Europa, en cidades como Berlín, Bruxelas, Estocolmo, Rotterdam, Sevilla, Copenhague, Tesalónica ou Budapest. Cada ano ten lugar nunha cidade europea distinta. Está organizado pola empresa Piranha, con sede en Berlín. O socio local é Nordesía Produccións. Fundada en 1996, esta produtora foi un dos axentes máis importantes da "world music" en Galicia e na Península. |
PRAZA_707 | ENTREVISTA Xa abonda de beizos cosidos. De regresións en liberdades e dereitos. É hora de 'Tronzar os valos'. Diso fala o novo disco de Sés. Unha entrevista de Montse Dopico | Xa abonda de beizos cosidos. De regresións en liberdades e dereitos. De desidia e de indiferenza. É hora de 'Tronzar os valos'. De erguerse contra a opresión. Como seres humanos. Como galegos. Como mulleres. Diso fala o novo disco de Sés. Doce novas cancións nas que a cantareira que ela é integra, máis que nunca, os ritmos americanos na súa persoalísima creación. Nas que, sen perder intensidade, transita máis cara á calma. Tendo, coma sempre, moi claro, o que quere dicir. O venres 27 de marzo ás 21.00 h no Teatro Afundación de Vigo comeza a xira de presentación deste álbum, que xa chegou ás tendas e pode escoitarse tamén en Deezer. A capa do disco, unha foto túa coa boca cosida, alude claramente aos ataques á liberdade de expresión. Ten que ver coa Lei Mordaza e, en xeral, co aumento da represión? En realidade a Lei Mordaza leva, na práctica, moito tempo vixente. A diferenza é que agora se materializa nun texto concreto. Levamos 30 anos cunha democracia ficticia. Só que agora compórtanse máis como o que son: ditadores. 'Tronzar os valos' é volver a sermos persoas. Por moito que digan que conceptos como "opresión" están obsoletos, explicas no disco. Hai un tema, 'Humanamente', que fala diso: andar pola vida humanamente. Que valos temos que tirar? Para min, o da desidia e a indiferenza. A deshumanización que nos converte en autómatas, en zombis. Porque parece que podemos vivir vendo xente que vive tirada na rúa, como se fose parte do mobiliario urbano. Parece que nos arrincaron os sentimentos. Esa é a deshumanización á que nos levaron. "Parece que podemos vivir vendo xente que vive tirada na rúa, como se fose parte do mobiliario urbano. Parece que nos arrincaron os sentimentos" O disco anterior, 'Co xenio destrozado', gañaba contundencia respecto a 'Admirando a condición'. Este non é menos intenso. Pero si é, se cadra, máis calmo. Malia ter igual máis rock, máis guitarra… A intensidade segue aí, pero se cadra si son agora menos nerviosa…. Pero por iso é máis intenso aínda. E iso pode notarse en todos os temas, sobre todo nos máis latinos. Tamén se cadra é froito de que vas facéndote maior… Nesta profesión, sobre todo se es unha muller, péganche por todo os lados e iso faiche medrar máis rápido. Neste mundo hai moito raposo. Para sobrevivir tes que ser raposo e eu non son nada raposa. Vés de publicar o vídeo de 'Como eu canto', que ten unha base tradicional. Da música tradicional é de onde procedes. E con ela reivindicas as mulleres que conservaron a nosa cultura. Como nos discos anteriores… Nese vídeo escóitase unha voz, dunha gravación que fixen hai moitos anos, de miña avoa. Ela conta como era a súa vida: erguíase cedo para facer o pan e ía vendelo a máis de trinta quilómetros. Mulleres coma ela non só levantaron o noso país. É que no sistema capitalista, xa o dicía Engels, a metade da poboación mundial realiza un traballo non remunerado. E a metade da poboación mundial somos as mulleres. Mulleres traballadoras que loitaron por sacarnos adiante, a nivel non só económico senón tamén humano. Que fixeron que sigamos sendo o que somos a nivel identitario, que conservaron a nosa cultura… e que seguen a ser as grandes esquecidas. Por iso temas coma 'Como eu canto'. 'Opio barato' parece unha crítica á Igrexa, pero podería abranguer todo o que nos adurmiña. 'Dous mil anos máis' tamén apunta á manipulación. Por que? A mentira vai a máis? "Moitos berran revolución e despois van mercar un coche dun millón de dólares. Iso é así en todos os lados. Non é na escena galega porque non se pode" A manipulación vai a máis, si. 'Opio barato' pode falar de relixión, pero tamén de cocaína, de fútbol… de todos os tipos de opio que se van sumando. Nesa letra hai unha chiscadela á 'Canción do Pirata' de Espronceda: 'Con dez camelos por banda, toda estrela/ non corta o mar, pero voa o corazón'. Refírome, claro, á cocaína, que é signo da frivolidade do mundo da creación artística, que está moi corrompido. O mundo que tería que ser o da profundidade, o da sensibilidade, pois arte é expresión dos sentimentos, ao final é o máis frívolo. Está cheo de postureo. E moitos berran revolución e despois van mercar un coche dun millón de dólares. Iso é así en todos os lados. Non é na escena galega porque non se pode. Pero se houbese posibilidade de facelo, sería igual. En 'Co xenio destrozado' varios temas falaban de como os golpes de vida nos fan máis fortes. En 'Tronzar os valos' é como se estiveses noutra etapa, con todo iso atrás, con 'Novas ganas de soñar', como di un dos temas. Ou como di 'Iconoclastia' ou se cadra 'Sentir sen pensar'. Pois 'Inococlastia' compúxeno hai moito tempo. 'Novas ganas de soñar' tampouco é novo. Pero se os gravei agora é porque era o momento. Eu creo que todas as persoas ao longo do día somos varios eus distintos, mais é verdade que hai un eu que predomina en cada etapa. E, claro, eu teño esta relación de amor-odio co mundo artístico… Gústame moito a arte, pero paseino mal. Foi duro, e agora estou noutra etapa. Agora a cuestión é a loita pola liberdade, e pola liberdade de expresión en particular. E para min é moi importante facelo tamén desde a alegría, desde o vitalismo. Senón faría coma Violeta Parra, collería unha escopeta e pegaríame un tiro. A min gústame divertirme, son sincera e honesta coa crítica que fago, mais o que quero é ser feliz, e gustaríame que a música axudase a que fósemos máis felices. Eu simplemente opino, digo o que penso, e non acabo de afacerme a esa dimensión pública que me dá a música… Non me ergo pola mañá e penso que son Sés. Eu son eu. Diso la falabas en 'Admirando a condición' e tamén está neste disco, quizais en 'Baixo o cemento'... Non aspiras a ser "voceira" de nada, nin falas para "protestar", de modo gratuíto. Só dis o que pensas. Reaccionas ante o que tes diante. "Eu sempre digo que non son cantante. Nin teño voz nin formación musical para iso. Eu son cantareira, ou cantora" Eu sempre digo que non son cantante. Nin teño voz nin formación musical para iso. Eu son cantareira, ou cantora. E unha cantareira é unha persoa da terra, da xente. Non son voceira de nada. Ofrecéronme entrar en formacións políticas e dixen que non. Eu son unha militante cultural, non política. Se cadra unha resistente cultural. Só digo o que opino. E como a xente non está afeita a dicir o que pensa porque ten medo, hai quen me di que dou mitins. Ademais, se o que fago ten esa dimensión pública, creo que me debo ao pobo ao que pertenzo. Non seríamos artistas se o pobo non existise, se a música galega non existise. Todo o disco está atravesado polo emocional, polo íntimo. Mais desde este, érguese o político. Que é algo que está a pasar moito na creación feita por mulleres: na poesía por exemplo. 'Un xeito de borrarte' fala de levantamento, rebeldía, insurrección, desobediencia, subversión... E se cadra vai alén do íntimo. É un desamor cara a quen nos manda… Esa letra en concreto é moi irónica. Di o que di nun ton divertido. Mais é verdade que en todo o disco está moi presente a situación política: a represión, a situación económica, a opresión. Porque é o que está acontecendo. Fixen ese tema para a mesma persoa que 'Boto en falta unha ilusión'. E falo de desamor, de como non dámos borrado a alguén da cabeza… Pero claro que detrás diso está a agudización da falta de liberdades que estamos vivindo. A situación pasou de ser aberrante a ser xa todo tan descarado e evidente… Por iso ese desprezo que hai en 'Dous mil anos máis'. Porque despois de tanto tempo seguimos igual. E a peña non esperta. O que ocorre é que estamos gobernados por unha maioría iletrada que decide se ti ou eu temos que morrer de cancro ou podemos comer ou ir á Universidade. Porque vivimos nun Estado que o que quere é producir borregos, e ademais é moi difícil non ser un borrego, porque supón exclusión social e moito esforzo pola túa parte. Tentan vendernos que é o xusto, pero non é o xusto que esteamos gobernados por unha maioría de borregos iletrados, infectados de desidia e de inhumanidade. No disco hai moitas cousas, tamén amor. Como en 'Máis que quimera', que canta aos afectos. Pode lembrar o tema que, no disco anterior, lle dedicabas a túa nai. "Parece que falar de amor é unha frivolidade, porque ao que moitas veces se lles chama cancións de amor non son en realidade máis que parvadas" Quen viviu un amor profundo entende ben esta canción. Parece que falar de amor é unha frivolidade, porque ao que moitas veces se lles chama cancións de amor non son en realidade máis que parvadas. Para falar de amor non temos que facer letras estúpidas como as que se escoitan por aí. Non todo o mundo tivo a sorte de vivir o amor dunha forma tan intensa, sexa por frivolidade, por inhumanidade... E non falo só de amor romántico. E, claro, o amor dunha nai é o máis auténtico. O amor é unha parte moi importante do ser humano. Só que non ten que ver con Hombres, Mujeres y Vicemierda, Gran Hermano e todas esas cousas. 'Humanamente' ten, como outros temas do disco, un toque americano. Hai cancións que nos levan a Cuba, a Chile, a Estados Unidos. Isto está xa nos discos anteriores, pero neste máis. Hai rock, ritmos cubanos, blues, soul, funk... É verdade que neste disco está máis presente iso. Decateime a posteriori. Nuns temas están máis os ritmos latinos, e noutros os yankees. Pero para min o interesante é como conviven coa raíz galega. En 'Dous mil anos máis' hai unha pandeireta galega no medio, e queda moi ben. Se alguén o escoita e non sabe que é unha pandeireta, estrañarase pero pareceralle que soa moi ben. E iso é o que me interesa. Este é o disco no que está máis presente esa pegada americana, pero tamén no que son máis cantareira. Ademais, a música americana sempre estivo entre nós. Quen non bailou unha rancheira? Algo máis que queiras salientar, das colaboracións por exemplo? As coristas, que están espectaculares. Ese final apoteósico de 'Novas ganas de soñar'. Nin unha guitarra eléctrica podería con elas. Esa potencia a min levántame. Ademais, son cantareiras. Se non fosen, se fosen coristas, non encaixarían tanto co que fago eu… |
NOS_34654 | O BilbaoArte acolle por segundo ano consecutivo as Xornadas do Novo Cinema Galego que se desenvolverán da segunda feira día 9 á cuarta día 11. Coordinadas polo crítico e produtor Martin Pawley levará ao centro dependente do Concello de Bilbao algunhas das novas producións de cinema galego. | O BilbaoArte acolle por segundo ano consecutivo as Xornadas do Novo Cinema Galego que se desenvolverán da segunda feira día 9 á cuarta día 11. Coordinadas polo crítico e produtor Martin Pawley levará ao centro dependente do Concello de Bilbo algunhas das novas producións de cinema galego. Dependente da Área de Cultura do Concello de Bilbao, o centro BilbaoARte acolle desde os días 9 a 11 de xuño as "II Xornadas do Novo Cinema Galego", tres días de proxeccións, intervencións dos protagonistas e debates que teñen como fin difundir as novas producións audiovisuais galegas ao público vasco. Coordinadas polo crítico e produtor Martim Pawley, o ciclo iniciarase a segunda feira día 9 coa presentación do "Proxecto Nimbos", unha iniciativa do blog "Acto de Primavera" que comprometeu a máis de trinta dos novos nomes do cinema galego ao mundo audiovisual os poemas de Díaz Castro. A seguir, a proxección de "O quinto evanxeo de Gaspar Hauser" de Alberto Gracia pechará a primeira sesión dunhas xornadas que continuarán o día 1o coa proxección e presentación de "Une histoire seule", a nova produción de Xurxo Chirro. A segunda sesión incluirá tamén no seu remate a presentación de "Arraianos" de José Manuel Sande para, entre un e outro filmes incluír unha mesa redonda sobre os II Encontros do Cinema Galego na que participarán José Manuel Sande, Carla Andrade e Martin Pawley. A premiada película de Luís Patiño, "Costa da Morte", inaugurará a terceira e derradeira xornada coa presentación de Martín Pawley para, a continuar, contar coa intervención de Carla Andrade que fará un avance dos seus traballos antes da mesa redonda e o debate final arredor do momento que atravesa o Novo Cinema Galego. |
NOS_48477 | Aínda que a taxa de positividade das PCR mantense en torno a 2% os novos contaxios detectados nun só día soben a 124. A área con máis novos contaxios é Vigo con 39 e a que menos a de Ourense-Verín-O Barco, con cinco. | Nas últimas 24 horas Galiza viviu un aumento importante da presión hospitalaria como consecuencia da pandemia da Covid-19. Neste período de tempo os ingresos subiron en 10 até un total de 117. Malia todo, os casos activos da enfermidade volveron a baixar por oitavo día consecutivo e sitúanse en 2.300, debido a que as altas seguen superando aos novos contaxios. Segundo os datos publicados este domingo pola Consellaría de Sanidade, solicitados até as 18 horas do sábado, no que respecta á presión asistencial, a subida no número de ingresados débese ao aumento dos pacientes en planta, que suman 89 (+10), aínda que os de unidades de coidados intensivos se manteñen sen variacións, nos 28. Por áreas sanitarias, tan só a de Lugo-A Mariña-Monforte aguanta e non aumenta os enfermos que requiran hospitalización, que seguen no total de 12, dos que tres están na UCI. En relación ás seis áreas restantes, todas rexistran unha subida lixeira menos a de Santiago-Barbanza, que suma catro novas hospitalizacións, até sumar 23. De todas elas, cinco están en críticos, un máis que nos datos facilitados este pasado sábado. O resto, a área da Coruña-Cee mantense á cabeza con 27 ingresados (+1), catro destes na UCI; en Vigo son 25, dos que cinco están en coidados intensivos; en Pontevedra-O Salnés hai 14 hospitalizados (+2), catro deles críticos; en Ourense-Verín-O Barco son un total de 12 (+1), dos que a metade seguen na UCI; e na de Ferrol subiron a catro os ingresados (+1), aínda que diminuíron a un (-1) os que están en coidados intensivos. Seguen en descenso os casos activos Os casos activos por Covid-19 no conxunto da Galiza seguen coa tendencia descendente por oitava xornada consecutiva ao caer a 2.300, medio cento menos que a xornada anterior. O descenso se replica en cinco do sete áreas sanitarias. As excepcións volven ser este domingo a de Lugo-A Mariña-Monforte, onde os pacientes aumentaron até os 244 (+10); e Ferrol, con 91 (+1). Así, este parámetro baixou na área de Vigo, aínda que segue na cabeza con 678 pacientes (-22); seguida da Coruña-Cee, que se coloca segunda con 418 (-8); Santiago-Barbanza, con 415 (-12); Pontevedra-O Salnés, con 276 (-14); e Ourense-Verín-O Barco, con 178 (-12). Aumentan os contaxios Os novos contaxios detectados nas últimas 24 horas por calquera tipo de proba chegaron até os 124, despois dos 110 notificados o sábado. Destas novas infeccións descubertas, 39 localizáronse na área sanitaria de Vigo. Séguelle a da Coruña-Cee con 24; Santiago-Barbanza con 20; Lugo-A Mariña-Monforte con 18; Ferrol con 10; Pontevedra-O Salnés con outras 10; Pontevedra-O Salnés, con só oito; e pecha a táboa Ourense-Verín-O Barco, con cinco. Por tanto, as persoas contaxiadas da covid-19 desde o inicio da pandemia en toda Galiza ascenden a 126.749, dos cales 30.375 corresponden á área da Coruña; 25.014, á de Vigo; 19.954, á de Santiago; 15.697, á de Ourense; 14.255, á de Pontevedra; 12.860, á de Lugo; e 8.594, á de Ferrol. As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia na Galiza mantense en 2.417, ao non notificar a Consellaría de Sanidade ningunha morte este sábado. |
NOS_20373 | Unha profesional sanitaria relata a Nós Diario como quedou sen un contrato após contaxiarse do coronavirus no seu posto de traballo. Mentres o Sergas responde á denuncia da CIG sobre os contratos temporais cunha nova instrucción. | "Case me botan a culpa por dar positivo". Así recibiu o Servizo Galego de Saúde (Sergas) a notificación dunha profesional sanitaria do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) que informaba de que dera positivo en COVID-19 e, polo tanto, non se podía incorporar ao seu novo contrato temporal. Esta traballadora, que prefire non dar o seu nome, contaxiouse do coronavirus no exercicio do seu labor profesional no hospital da Coruña. Nese momento estaba a piques de rematar un contrato que o Sergas define como de "acumulación de tarefas" de dous meses, que era unha prórroga de outro anterior de tres. Poucos días antes de que vencera o seu contrato sentiuse mal, así o relata a Nós Diario: "pero non moi mal, eu pensaba que non tiña o virus". E avisou ao servizo de Medicina Preventiva. Após dous días sen ir traballar deu positivo no test de coronavirus, pero mentres recibiu a chamada do Sergas para ofrecerlle outros contratos temporais e aceptou un deles. Nese momento non sabía que estaba contaxiada e tiña que respostar a esa chamada. Co resultado positivo, acudiu a un superior e volveu comunicarse con recursos humanos do Sergas. "Case me botan a culpa por dar positivo, dixéronme que non tiña que ter aceptado o contrato", di esta profesional en conversa con Nós Diario. "Agora estou enferma na casa e preocupada a ver que contrato me dan cando volva, a ver en que servizo acabo... Co disgusto de ter perdido un contrato de dous meses no sitio que eu elixira pola miña puntuación e posición na lista [de contratacións]. E mentres este tempo non me puntúa no Sergas e non cobro o 100% do salario", explica. A CIG-Saúde xa denunciou na pasada terza feira que o Sergas non estaba a renovar os contratos das profesionais que tiñan contratos temporais de pouca duración que daban positivo en COVID-19. E que, desta maneira, ficaban sen contrato até que estivesen de alta; polo que durante a baixa non lles conta o tempo traballado. Semella que o Sergas reaccionou, pois nesta cuarta feira emitiu unha nova instrucción que sinala que as profesionais con contratos temporais "que durante a vixencia da súa vinculación sexan declarados na situación de incapacidade temporal polo motivo de illamento ou contaxio provocado polo virus COVID-19 [...] manterán a vixencia do seu nomeamento e prorrogaráselle este, como mínimo, ata que se expida a correspondente alta médica por este motivo". As traballadoras aínda descoñecen como vai aplicar o Sergas esta nova instrucción. "Non podemos dicir que o asunto estea solucionado", sinala esta profesional, que leva máis dunha década traballando para o Sergas, a Nós Diario. "Eticamente e moralmente isto paréceme o peor", lamenta. "Somos moitos nesta situación... como a precariedade é tal a situación vaise alongando nos anos e xa nin pensas en ter unha praza fixa", salienta esta profesional sanitaria da Coruña. |
NOS_45026 | O vehículo submarino non tripulado autónomo ruso Vitiaz baixou por primeira vez ao o abismo máis profundo da Terra, no Océano Pacífico. | O vehículo submarino non tripulado autónomo ruso Vitiaz descendeu por primeira vez ao fondo da Foxa das Marianas, o abismo máis profundo da Terra, no Océano Pacífico. "No 8 de maio de 2020, ás 22.34 hora de Moscova, o vehículo submarino deshabitado autónomo ruso Vitiaz chegou ao fondo da Foxa das Marianas. Os sensores de Vitiaz rexistraron unha profundidade de 10.028 metros", comunicou a Fundación para Investigacións Avanzadas (FPI). "A diferenza dos dispositivos Kaiko (Xapón) e Nereus (EUA) que operaban antes nesta zona, o aparello Vitiaz funciona de maneira absolutamente autónoma. Grazas ao uso de elementos de intelixencia artificial no sistema de control do vehículo, pode sortear os obstáculos de forma independente e atopar unha saída dun espazo limitado e resolver outros problemas intelectuais", salientou a FPI. Ademais, o aparello realizou un mapeo da zona, tomou fotografías e gravou vídeos do fondo mariño, así como tamén estudou os diferentes parámetros do ambiente mariño. Máis de tres horas "A misión durou máis de tres horas, sen contar o mergullo e o regreso á superficie", precisou a fundación. A inmersión fai parte da primeira fase na serie de experimentos de Vitiaz, segundo comentou o seu director, Andréi Grigoriev. "Este é o primeiro dos experimentos programados no marco do proxecto Vitiaz. Levouse a cabo xunto con navieiros rusos e equipos científicos da Academia de Ciencias de Rusia, co apoio da Flota do Pacífico", comentou ao respecto. A das Marianas, ao leste e sur das illas homónimas, é a máis profunda foxa mariña coñecida e o lugar máis profundo da codia terrestre. |
NOS_56085 | Exixen a saída da presidenta após os casos de corrupción que salfiren o seu executivo. | Por volta de 2 millóns de persoas, as cifras varían entre os perto de 3 millóns dalgúns medios locais e 1,4 das autoridades policiais, saíron este domingo ás rúas do Brasil para exixir a demisión da presidenta Dilma Rousseff polos casos de corrupción que atinxen o seu executivo e que, nas últimas semanas, focaron a atención no ex-presidente, Lula Da Silva. As mobilizacións tiveron lugar en até 200 cidades do país situándose como as máis multitudinarias da historia. As persoas que saíron ás rúas fixérono din para amosar o seu apoio á xustiza que investiga a corrupción na Petrobras. Porén, o ámbiente político no Brasil atópase polarizado entre as persoas que apoian o goberno e as que reclaman a saída da presidenta cuxa vitoria electoral nas últimas presidenciais foi por tan só un punto. |
NOS_43674 | Poucas veces as atletas transcenden os límites do deporte, pero a novísima saltadora Desirée Vila (Gondomar, 1998) conseguiuno, até o punto de vender miles de copias do seu libro, acumular infinidade de seguidoras nas redes e participar en programas de éxito como 'La Resistencia' ou 'Land Rober'. | Vén de saltar 3,69 metros, que supón obter a marca mínima 'B' de cara a clasificarse para os Xogos Paralímpicos de Toquio. Non obstante, que ten que facer para asegurar a clasificación? O das marcas de clasificación non sabemos ben como vai nin nós mesmas (ri). O Comité Paralímpico Español propón dúas marcas, a mínima 'A' e a mínima 'B', que son as formas de clasificarte para ir aos Xogos Paralímpicos. A mínima 'A' é moi esixente, se es quen de conseguila estarás dentro seguro, salvo que pase algo moi fóra do común ou que a 'líes parda' (ri). Se, por exemplo, cinco atletas conseguiron esa mínima 'A' e hai 20 prazas, as 15 restantes adxudicaranse entre as persoas que conseguiron a mínima 'B'. Agora mesmo, tal e como están as cousas, moi poucas persoas conseguirán esa marca, polo que é moi probábel que cunha mínima 'B' abonde para ir aos Xogos, mais o noso obxectivo é conseguir unha 'A'. Esa marca mínima 'A' está estabelecida en 4,07 metros, por enriba da súa mellor marca persoal de 3,94. Será quen de alcanzala en tan pouco tempo? Este ano quero pasar por fin dos catro metros. Cremos que é unha marca que se pode conseguir cando chegue a un estado de forma bo, alá por febreiro ou marzo, que é cando temos competicións internacionais. Até ese Campionato de Promesas de Valencia no que saltou os 3,69 metros, cando foi a última vez que competira? Antes do confinamento? Si, no Mundial de novembro, hai case un ano. Aínda que durante todo este tempo, en realidade, só parei no mes de agosto para coller vacacións, porque durante a corentena seguín adestrando, a pesar de que non podía correr por estar nun piso. De feito, podería dicirse que me sentou ben para poder recuperarme correctamente dunha escordadura de nocello, e tamén para prepararme noutros eidos nos que no día a día non nos daba tempo a facelo, como a psicoloxía e a forza. Sempre intenta sacar unha parte positiva a toda situación? Si, eu destaco moito esa recuperación da escordadura, porque quizais me tería custado a participación nos Xogos Paralímpicos. Tería que ter forzado o pé, e quizais a lesión podería terme prexudicado a longo prazo. Vostede compatibiliza o atletismo cos seus estudos. Ademais escribiu un libro súper ventas e nos últimos tempos visitou os platós de programas como La Resistencia ou Land Rober, dous dos máis de moda actualmente. Como é quen de compatibilizar tantas actividades? Non sei (ri). Intento organizarme o mellor que podo. Tamén é certo que teño un grande equipo detrás, pero sempre tendo en conta que o meu verdadeiro obxectivo é o adestramento. E si, no resto do meu tempo libre intento, sen quitarllo ao deporte, participar en entrevistas e realizar tarefas que mesmo poden axudar a aumentar o meu rendemento, porque darte a coñecer pode conducirte a ter un patrocinador, que vai conseguir que poidas acudir a esa competición á que antes non podías... ao final todo está encadeado e orientado cara un mesmo punto, mais si que é verdade que ás veces angústiome un pouco porque métome en todo e por veces é demasiado. Non teme, por dicilo dalgún modo, que todo iso a distraia un pouco e afecte ao seu rendemento deportivo? Non, porque isto témolo moi claro desde o principio: o primeiro é o deporte. A min encántame participar en entrevistas, en anuncios, nas redes sociais... todo iso 'flipame', pero sei que o fago porque teño resultados, e para telos teño que sacrificar moitas outras cousas. Son consciente de que se non fose deportista posibelmente non me entrevistarían nin en La Resistencia, nin en Land Rober nin no Nós Diario, todo iso vén duns obxectivos no deporte que teño conseguir. Falaba anteriormente sobre os seus crecentes compromisos publicitarios. Como entra nese mundiño? Como unha atleta nova dá o salto a ese mundo das marcas, dos anuncios, da moda? Pois non o sei! (ri). Foi un pouco por casualidade, 'de potra'. Si notei como a raíz de participar en La Resistencia tiven moita máis repercusión, e chegáronme novas oportunidades. Até hai moi pouco descoñecía como se movía todo este mundiño, mais si que o certo é que a maioría dos e das deportistas que están comigo na residencia [a Joaquín Blume de Madrid] compatibilízano cun traballo de publicidade, imaxe, nas redes sociais... porque o deporte, polo menos o meu, non dá para vivir, e tes que buscar outra forma de conseguir cartiños, e grazas aos patrocinadores e a esas colaboracións con marcas creces coa túa imaxe e, ao mesmo tempo, non deixa de ser un traballo. Cales son os obxectivos actuais de Desi Vila? Toquio 2020. Levábamos un ano sen competir, e non sei en que estado de forma estaba, pero agora véxoo, e se hai Xogos, que iso será outra cousa, eu vou estar alí seguro, ese é o obxectivo principal. E o feito de que sexan un ano máis tarde danos unha marxe para mellorar as marcas, e xa non só para participar e facelo ben, senón para tratar de estar entre as mellores do mundo. É plausíbel alcanzar ese nivel das mellores? Si. O meu adestrador sempre di que o noso obxectivo máis importante son os Xogos Paralímpicos de París 2024, nos que xa terei unha madurez deportiva que non depende tanto do adestramento, senón da experiencia, por iso este ano extra supón un ano máis de crecemento físico e mental que podemos canalizar nun bo resultado no Xapón. |
PRAZA_3619 | En pouco máis de 24 horas máis de 530 persoas inscribíronse na rede de voluntariado lanzada polo Concello da Coruña, cidade na que a veciñanza puxo en marcha 12 grupos de apoio mutuo a nivel dos barrios | En pouco máis de 24 horas máis de 530 persoas inscribíronse na rede de voluntariado lanzada polo Concello da Coruña As crises poden sacar o peor dunha persoa e dunha sociedade, pero tamén fan agromar o mellor: a solidariedade, a axuda mutua, a conciencia de pertencer a unha comunidade. Así está a suceder estes días por mor da epidemia do coronavirus e o obrigado confinamento da poboación. Son moitas as administracións, entidades e grupos de cidadáns e cidadás que puxeron en marcha accións para auxiliar aquelas persoas que viven en condicións máis precarias ou que poden necesitar de axuda nestas xornadas. Na Coruña, por exemplo, o Concello lanzou o pasado venres pola tarde un chamamento para conformar "un dispositivo de voluntariado para atender ás persoas que se atopan en situación de dependencia e soidade ou que teñen mobilidade reducida". O chamamento estaba aberto a todas as persoas maiores de idade que non formen parte dos colectivos de risco. En pouco máis de 24 horas máis de 530 persoas inscribíronse, formando un grupo ao que o Concello derivará as peticións de axuda das persoas que chamen ao 010 ou das situacións que os propios traballadores municipais detecten."Os Grupos de Apoio Mutuo son a resposta que levantamos desde os barrios da Coruña para poñernos ao lado da xente máis vulnerable"Ademais do grupo de voluntariado impulsado polo concello, en varios barrios da cidade comezaron a xurdir iniciativas de grupos de apoio mutuo. Son en total 12 grupos, organizado cada un nun barrio determinado ou nun grupo de barrios. "Os Grupos de Apoio Mutuo son a resposta que levantamos desde os barrios conscientes da Coruña para poñernos ao lado da xente máis vulnerable, as nosas veciñas e veciños, neste momentos complicados. Unha resposta autoxestionada que busca activar a solidariedade xusto cando máis o precisamos", destacan, engadindo que "os virus combátense con ciencia e coñecemento. Pero todo o anterior non quere dicir que non podamos contribuír tamén desde os barrios, as comunidades e as organizacións sociais, como cidadanía responsable que somos. Os retos son tan grandes, os cambios tan acelerados e as condicións tan novidosas, que esixen un esforzo común e solidario".Tamén en Ourense botou a andar o Grupo de Apoio Mutuo fronte ao Covid19, que nace "co fin de detectar necesidades de persoas en situación de vulnerabilidade e organizar solucións de proximidade"VigoAsí, en Vigo o departamento de Benestar Social do Concello vai realizar una chamada diaria a todos os seus usuarios e usuarias para coñecer posibles situacións de risco e facilitar informaciónNoutras cidades tamén as administracións locais están a exercer un seguimento directo das persoas que poden necesitar máis axuda. Así, en Vigo o departamento de Benestar Social do Concello vai realizar una chamada diaria a todos os seus usuarios e usuarias para coñecer posibles situacións de risco e facilitar información. De igual xeito, na atención a domicilio vaise facer un seguimento exhaustivo e continuo dos usuarios e usuarias do servizo. Así mesmo, o Concello de Vigo está a preparar un plan para atender os maiores que están sen axuda nas súas casas, sexan ou non usuarios de teleasistencia. As persoas que precisen deste servizo deberán solicitalo a través do 010 e serán atendidas por persoal especializado.Tamén na cidade olívica están organizados colectivos que traballan habitualmente con colectivos vulnerables e con fórmulas de axuda mutua, como a Oficina de Dereitos Sociais do barrio de Coia. A entidade esixe "medidas urxentes para atender a aquelas persoas que ante a paralización da actividade causada por esta pandemia van ficar sen ingresos ou ver recortados os mesmos" e fai un chamamento a "artellar respostas colectivas que nos permitan saír desta situación con máis dereitos".Cruz VermellaCruz Vermella anunciou o reforzo da atención que empresta a máis de 25.500 persoas vulnerables en GaliciaO pasado venres Cruz Vermella anunciou o reforzo da atención que empresta a máis de 25.500 persoas vulnerables en Galicia, persoas maiores, con discapacidade e/ou con enfermidades crónicas. O obxectivo fundamental é informarlas das pautas básicas de prevención e facer seguimento telefónico do seu estado de saúde. A través destas chamadas de seguimento, Cruz Vermella quere asegurarse de que as persoas máis vulnerables dispoñen das pautas e recomendacións básicas de prevención.FerrolPara os usuarios dos comedores sénior que se atopen en situación de vulnerabilidade, o Concello de Ferrol contratou un servizo de entrega de menús a domicilio.En Ferrol, de igual xeito, o Goberno municipal puxo en marcha unha batería de medidas. Por exemplo, para os usuarios dos comedores sénior que se atopen en situación de vulnerabilidade, o Concello contratou un servizo de entrega de menús a domicilio. En canto ao de axuda no fogar, o Goberno local pediulles ás empresas que o prestan que informen da hipotética dispoñibilidade debido a posibles baixas, para así poder destinar os recursos a outras persoas que o necesiten. Ademais, para solventar o problema creado en moitas familias sen recursos polo peche dos comedores escolares, o Concello vai proporcionar vales de necesidades básicas para que poidan mercar alimentos. Na actualidade 400 familias teñen concedida bolsa de comedor.LugoO Concello de Lugo reforzará a asistencia do Fogar do Transeúnte para poder atender a un maior número de persoas vulnerablesA concellaría de Benestar, Inclusión e Maiores do Concello de Lugo anunciou que reforzará a asistencia do Fogar do Transeúnte para poder atender a un maior número de persoas vulnerables. O obxectivo é que ninguén dos usuarios habituais e dos novos casos que se poidan dar queden sen xantar e para iso estableceranse quendas de xeito que non estean xuntas máis de 20 persoas en cada unha delas. Outro dos fins que se persegue con este reforzo e procurar reter a aquelas persoas sen recursos que non teñen onde pernoctar. "Debemos procurar que queden no centro e que nos transiten polas rúas e evitar así un posible contaxio, porque moitas delas son colectivos de risco", sinala. Para iso, a concellaría habilitará novos espazos con camas a medida que xurda a demanda.OurenseA Deputación de Ourense reforzou estes días o servizo de teleasistencia que empresta habitualmente a preto de dúas mil persoas maiores e/ou dependentes en toda a provinciaA Deputación de Ourense reforzou estes días o servizo de teleasistencia que empresta habitualmente a preto de dúas mil persoas maiores e/ou dependentes en toda a provincia, para dar acompañamento e información aos usuarios e usuarias, "mantendo así coa poboación máis vulnerable da nosa provincia unha canle de información constante relativa aos procedementos, actuacións e manexos que deben realizarse como prevención fronte ao coronavirus", sinalan. |
NOS_58482 | A Xunta tamén está pendente da vacinación os nenos menores de entre 5 e 11 anos cumpridos | O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, confirmou que a vacinación para o colectivo de entre 60 e 69 anos en Galicia arrincará o vindeiro cuarta feira, 1 de decembro. O obxectivo é ter a toda a poboación de máis risco, xunto cos sanitarios, inmunizados coa dose de reforzo antes do Nadal. En declaracións aos medios en Lugo, o titular da Administración sanitaria galega agradeceu ás áreas sanitarias a recuperación dos puntos de vacinación masiva, cuxa apertura inicialmente se previu até o 30 de novembro, pero seguirán máis aló para inmunizar a este colectivo de 60 a 69 anos. Preguntado por se se vacinará coa dose de reforzo máis aló deste grupo, Comesaña apuntou que será o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS) o que marque o camiño sobre a base dos acordos da comisión de vacinas, pero agregou que "todo parece indicar que se acabará estendendo" por baixo dese limiar de idade. Galiza vacinará aos cidadáns de entre 60 e 69 anos unha vez finalizada a terceira dose para o colectivo de entre 70 e 79 anos Deste modo, Galiza vacinará aos cidadáns de entre 60 e 69 anos unha vez finalizada a terceira dose para o colectivo de entre 70 e 79 anos, que arrincou o 19 de novembro coa reapertura dos centros de vacinación masiva. Doutra banda, a Xunta tamén está pendente da vacinación os nenos menores de entre 5 e 11 anos cumpridos, unha franxa de idade para a que a EMA vén de autorizar a vacina de Pfizer. Neste sentido, o Sergas leva desde setembro preparándose para esta aprobación e en días pasados, o propio presidente do Goberno galego avanzou que se era posíbel -por loxística e estratexia de vacinación-, Galiza vacinaría os nenos e nenas en Nadal. |
NOS_20307 | A deputada do BNG Montse Prado alcanzou o apoio de toda a Cámara para demandar a reactivación da atención prensencial nos centros de saúde. | O Parlamento galego pronunciouse esta terza feira, 10 de novembro, de maneira unánime a prol de que se reactiven as consultas médicas presenciais na Atención Primaria, logo de a Xunta ter xeneralizado a consulta telemática e de denunciárense dificultades para contactar por teléfono co centro de saúde dados os escasos recursos de medios e persoal. A iniciativa aprobada, presentada pola deputada do BNG Montse Prado, pide "acabar coas listas de espera neste nivel asistencial", apostando polo persoal e as medidas de prevención para garantir "unha atención sanitaria digna á poboación". Prado tamén logrou o acordo da Cámara para instar a Xunta a presentar de inmediato "un plan de continxencia co obxectivo de garantir a asistencia sanitaria na Atención Primaria e na hospitalaria" nos vindeiros meses ante o previsíbel aumento da presión asistencial derivada da Covid-19. Neste sentido, os grupos tamén apoiaron a iniciativa do Bloque no relativo á implantación de medidas para minimizar os riscos de contaxio do persoal sanitario facilitándolles equipos de protección axeitados. Estabilidade laboral O pleno tamén aprobou por unanimidade unha moción do PSdeG para pedir á Xunta que garanta a estabilidade laboral na sanidade pública. O portavoz de Sanidade do Partido Socialista, Julio Torrado, presentou esta iniciativa advertindo que o Sergas se ten convertido na "principal empresa de traballo temporal da Galiza" e situando a temporalidade en 30% e mesmo en 40% no caso da Enfermaría. Torrado explicou que o Sergas ten hoxe 1.162 profesionais contratados menos en Atención Primaria que en 2009. |
NOS_11912 | Os recortes da Xunta na sanidade pública, definitorios para esta situación segundo un informe. | A Galiza sitúase á cola do Estado español no nivel esperanza de vida en boa saúde a partir dos 50 anos de idade, segundo un estudo realizado polo Centro de Estudos Demográficos da Universitat Autònoma de Barcelona (CED-UAB) no que se analizan factores socioeconómicos e sanitarios de cada territorio, e no que se conclúe que o gasto en sanidade pública é definitorio. Por que os homes envellecen máis rápido? Un estudo debulla as causas O estudo sinala que na Galiza, as mulleres teñen, unha vez pasados os 50 anos, unha esperanza de vida doutros 37 anos, dos cales en tan só 9,3 deles gozarían dun bo estado de saúde, sendo o terceiro peor dato a nivel estatal. En canto a esperanza de vida é menor que a das mulleres até os 82,1 anos. Deses, estímase que nos 10,8 anos a partir dos 50 terían un bo estado de saúde, o cuarto peor dato do Estado. Apenas 15% da poboación galega ten menos de 20 anos de idade Este informe analiza datos de seis enquisas de saúde estatais e europeas, ademais de datos de mortalidade do Instituto Nacional de Estatística (INE). Tamén ten en conta indicadores socioeconómicos, datos de gasto sanitario público, de servizos e recursos humanos en saúde e informacións sobre comportamentos individuais relacionados coa saúde entre 2006 e 2019. Maior gasto sanitario, mellor saúde Os investigadores concluíron que a esperanza de vida en boa saúde a partir dos 50 anos evoluciona da mesma forma en que o fai o gasto sanitario público por cápita de cada unha das autonomías. Canto máis se inviste en sanidade, máis se incrementan os anos que a cidadanía vive sen enfermidades. A Galiza, á cola do Estado español en investimento en Atención Primaria Nesta liña, o estudo apunta que gastar 800 euros máis por persoa na sanidade tradúcese en 1,5 anos máis de vida en boa saúde aos 50 anos para os homes e en 1,2 anos para as mulleres, ademais de reducir os anos vividos en mala saúde 1,7 anos para os homes e 1,6 anos para as mulleres. Segundo os autores, a evolución da esperanza de vida en boa e mala saúde e a diferenzas entre autonomías enténdense a partir das fluctuacións no gasto sanitario público desde 2006, "marcado polos recortes" que sufriu o sistema sanitario público no conxunto do Estado español. |
NOS_7209 | Media ducia de libros póstumos certifican a incansábel ética do traballo literario de Xosé Neira Vilas. Os dous últimos, 'De Gres a Cádiz' e 'Co pai', mesmo abren unha veta pouco explorada na súa obra, a do rexistro memorialístico. Eis un estrato da peza publicada no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza. | "Non había escola en Rebordaos nin en toda a redonda, e foi á de Bama, na terra dos avós maternos. Pasou con eles varias tempadas, e axiña deprendeu a ler e escribir. De alí trouxo palabras novas, ditos, costumes; trouxo refráns e cantigas e lendas". Velaquí o limo primixenio, descrito polo propio interesado, da literatura de Xosé Neira Vilas, unha das voces de maior relevo da narrativa galega do século XX. É o inicio de Mestre, unha das 26 estampas de Co pai (Galaxia, 2019), último título dun autor cuxa bibliografía póstuma atinxe media ducia de volumes apenas catro anos despois da súa morte. "Estivo literalmente traballando até o último minuto. Tiña moitos proxectos en marcha, un detrás do outro", explica a Sermos Galiza Fernando Redondo Neira, presidente da fundación do escritor e sobriño do mesmo. Aquel compromiso coa escrita traduciuse nun bo monllo de materiais inéditos, algúns listos para publicar. Foi o caso de Co pai, retrato dunha relación, e antes de De Gres a Cádiz (Galaxia, 2018), o máis próximo a un volume propiamente memorialístico da súa extensa produción. A profesora da Universidade de Santiago Dolores Vilavedra encargouse da edición e prólogos destes dous libros. Ao seu ver trátase dos inéditos de maior envergadura de entre os até agora publicados. "Completan ese ciclo de estampas que eu relaciono coas Cousas de Castelao, aínda sen debuxos, redondas, en que nin falta nin sobra nada", di a este semanario, "e que enlazan coa triloxía de Lar, Nai e Pan". O prexuízo do eu Sobre o traballo de edición nestes títulos, Vilavedra lembra o coidado co que os preparou o autor. Unha morea de palabras en negriña, modus operandi habitual, indicaban que Neira Vilas quería volver a elas, preguntar, informarse. "Houbo que resolvelas e despois solucionar algunhas grallas. Mais os textos estaban rematados", expón. Por que dúas obras que en nada desmerecen o canon Neira, cuxos puntos e final data de 1999 e 2000 respectivamente, non viron antes luz? A editora aventura unha hipótese: "A súa modestia, o seu certo pudor ao falar de si mesmo, unha especie de prexuízo do eu, impediullo". Aínda que boa parte da súa obra asenta na propia experiencia e dificilmente é disociábel da vida, adoitou empregar mecanismos de distanciamento. A terceira persoa e a viñeta puída, esférica, contribúen a ese efecto. En De Gres a Cádiz, porén, fala o autor sen mediacións e relata a súa iniciación á existencia, desde o nacemento na súa aldea de Gres (Vila de Cruces) en 1928 até que embarca cara a Sudamérica o 22 de xaneiro de 1949. [Podes ler a reportaxe íntegra no número 371 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_29771 | En 2013, o PP apoiou unha inciativa parlamentaria do Bloque para paralizar a construción da Cidade da Cultura. Sen previo aviso, a dereita sumábase ás posturas da oposición que, no medio do vendaval económico, esixía cando menos moderación no megalómano proxecto. Mais as tornas mudaron. Un novo edificio, do que non transcenderon máis detalles que a súa estimación orzamentaria, levará as palas a un monte Gaiás cuxos usos e utilidades distan de ser claros. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 299. | É talvez o máis significativo síntoma de que en San Caetano consideran a situación controlada. A pasada semana e por sorpresa, Alberto Núñez Feixó anunciou a construción dun novo edificio na Cidade da Cultura. Nunha espectacular reviravolta, o que fora conselleiro do último Goberno de Fraga Iribarne -responsábel intelectual e financeiro do Gaiás-, logo opositor furioso ao complexo durante o bipartito e despois paralizador orgulloso das obras durante o seu segundo mandato, promove agora a reactivación inmobiliaria no monte de Santiago de Compostela. Segundo informou a propia Xunta, o "Edificio Fontán" custará 17 millóns de euros. Servirá para acoller "os servizos compartidos entre as tres universidades galegas" e "levantarase sobre a estrutura do que ía ser o Teatro da Ópera". Eses alicerces de formigón dos que, no corazón do lugar, ninguén parecía coñecer o futuro. Converteranse, di o Goberno galego, na sede do "novo Consorcio Interuniversitario de Galicia, da Axenda para a Calidade do Sistema Universitario e do Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais". "Pero que entelequia é esta?", pregúntase Xosé Carlos Bermejo Barrera, catedrático de Historia Antiga da Universidade de Compostela en conversa con Sermos Galiza. O profesor foi un dos intelectuais máis críticos co esperpéntico proceso que desembocou na Cidade da Cultura. E amósase indignado coa "última ocorrencia" de Feixóo. "Que significa iso dun consorcio para coordinar as universidades? Non fai falta ningunha empresa para que se coordinen", expón, "ademais, esa oficina collería en 40 metros cadrados". Por outra banda, engade, xa existen órganos de coordinación das universidades e, opina, non funcionan: "Nin se poñen de acordo para eliminar unha titulación, nin para trasladar profesores, nin para nada". [Podes ler a reportaxe íntegra no número 299 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] |
NOS_7634 | As poesías galega e catalana atópanse esta cuarta feira 13, ás 19 horas, no salón de actos do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. Os versos de ambas literaturas dialogarán da man de Anna Gual, Joan Pons, Blanca Llum Vidal, Marilar Aleixandre, Yolanda Castaño e Rosalía Fernández Rial. As seis poetas constitúen unha mestura de voces consolidadas e novidosas da lírica contemporánea. | O evento será presentado por Mercedes Queixas Zas, membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega e secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Toda aquela persoa que desexe acudir debe confirmar a súa asistencia no correo electrónico [email protected]. O acto fai parte do programa Poetas itinerantes, que repite localización logo do encontro entre poesía vasca e galega que tivo lugar na cidade compostelá durante a primavera do pasado ano. O proxecto, que organizou outro recital o 2 de novembro en Barcelona, está promovido polo Instituto Etxepare, o Instituto Ramón Llull e o Consello da Cultura Galega co fin de "tender pontes" cara a un futuro "intercultural e multilingüe". |
NOS_38786 | O Concello de Cedeira e o Ministerio de Agricultura están a piques de iniciar un plan de recheo que habilite o areal para o período estival após o inverno. Porén, desde a Plataforma Somos Cedeira exixen o desenvolvemento dun estudo de impacto ambiental e veñen de denunciar perante o Seprona o que coidan un delito ecolóxico. | A Praia da Madalena en Cedeira fai parte dunha reserva mariña catalogada como tal polo seu interese pesqueiro. Após os duros temporais que azoutaron a costa galega este inverno, boa parte do seu areal desapareceu. Neste senso, o Concello de Cedeira e o Ministerio de Agricultura através de Demarcación de Costas planexaron o desenvolvemento dun plan de recheo que devolva a area á praia visando o inicio dun novo período estival. Porén, desde a Plataforma social Somos Cedeira e a organización ecoloxista Adega, advirten que a aplicación destes recheos suporá graves prexuízos ecolóxicos para a zona. E é que "a fauna do areal supón a base da pirámide trófica da zona", afirma Xandro García desde Adega en relación ás especies que habitan na superficie da praia e das que se nutren boa parte dos peixes existentes na reserva mariña. "Cando se soterra a praia desaparecen, morren", subliña. Sen estudo de impacto ambiental Así pois, desde o colectivo exixen o desenvolvemento dun estudo de impacto ambiental antes de levar adiante o plan de recheo. "Non queremos que se volvan tirar ao mar os cartos públicos para que os temporais desfagan todo cada inverno", apuntan na petición rexistrada en Change.org á que se adheriron xa máis de 700 persoas. Os recheos desenvolveranse sen realizar un estudo do impacto ambiental que analice os posíbeis prexuízos ecolóxicos, embora ser unha obriga legal nos espazos protexidos como a ría de Cedeira Cumpre lembrar que o Concello desenvolveu tres recheos desde 2001. "Son ineficaces", apunta Xandro García. Aliás, o plan visa levar a cabo o recheo con area da propia ría, o que aínda traería maiores prexuízos ecolóxicos para un espazo catalogado como reserva mariña de interese pesqueiro na que se desenvolven actividades como o marisqueo. Denuncia perante o Seprona Por esta razón, Somos Cedeira vén de presentar xunto con outras organizacións (ANOVA Cedeira, BNG Cedeira, EU Cedeira, Galiza Nova Cedeira, ADEGA Ferrolterra) unha denuncia perante o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) a meio da cal exixen a paralización "de inmediato" dos plans "sen someter os devanditos traballos ao preceptivo estudo de impacto ambiental". Para as organizacións e colectivos asinantes da denuncia, as administracións públicas estarían a cometer un posíbel delito por prevaricación ao non se cumprir a normativa ambiental vixente. "A zona na que se prevé actuar está dentro da reserva mariña" un espazo protexido catalogado de interese pesqueiro e rexido polo Decreto 28/2009 da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (DOGA 33/2009) e a Lei 21/2013, do 11 de decembro de 2013. Neste senso, segundo o marco xurídico actual será exixíbel "unha avaliación de impacto ambiental ordinaria (completa)" face calquera proxecto que os poida alterar. Mais as demandas da veciñanza, dos colectivos ecoloxistas e de diversas organizacións políticas non están a ser escoitadas polas administracións que mesmo advirten do inminente inicio das obras. Desde Somos Cedeira advirten que mobilizarán a centos de persoas no mesmo momento en que dean comezo os recheos. "Estamos mollados e queremos seguir mollados na defensa da Praia da Madalena", subliñan. |
PRAZA_13034 | A Xunta fará ou non a análise de todo o sucedido, pero o prexuízo causado ao Centro Galego de Bos Aires requirirá anos de esforzo para recompor a súa imaxe ante unha opinión pública que o vise actuar como mostra emblemática da capacidade creadora e o tesón da emigración galega. Unha crónica de Cadernos de Comunicación e Análise | Todo parece indicar que para as organizacións constituídas pola emigración procedente da península Ibérica, as perspectivas de apoios financeiros provenientes do outro lado do Océano, esgotáronse ou reducíronse en forma considerable. España atravesa unha das crises máis severas da súa historia e ninguén está en condicións de predicir seriamente cando poderá ser superada. Un estado que acumula cinco millóns e medio de parados e os seus cálculos máis optimistas estiman unha redución do dous por cento para o ano 2015, non ofrece un panorama alentador. Ata aqui, as protestas en territorio español desenvolvéronse no que podiamos considerar cauces normais. Será posible mantela nestes termos? Ou nalgún momento esgotada a paciencia social, haberá que reprimilas? Para a eventualidade, os Populares non carecen de experiencia. Morto Franco e sendo o fundador do Partido Ministro de Arias Navarro, Don Manuel Fraga Iribarne, debeu afrontar o malestar obreiro. No desaloxo de dúas asembleas a Forza Pública deixou na rúa unha ducia de mortos. Ante o requirimento dun correspondente da Axencia EFE, Fraga Iribarne estableceu principios: "O mantemento da Orde Pública ten os seus custos, ninguén quere vítimas, pero hai situacións que son inevitables". Eran outros tempos? Como pode suporse, referímonos a quen como Presidente da súa Comunidade legou ao Centro Galego de Bos Aires a Fundación que, tras xerencialo durante case nove anos, ingresaría aos Estrados Xudiciais deixando unha débeda millonaria co Estado Arxentino. Co agravante de que tanto o debido aos Organismos oficiais, como ao resto dos acredores non poderá ser liquidado con fondos locais por carecer de activos realizables no país. Neste transo o inefable Secretario Santiago Camba, cuxo paso por estas latitudes deixan un ronsel de dúbidas sobre os seus verdadeiros motivos, e ás que por reiteradas adoitan atribuírselle razóns de índole privado ou o papel de oficioso compoñedor nos enfrontamentos do PP na Arxentina, nunca exclúe a posibilidade de aproximarse ao CG de Bos Aires, onde ha de procurar, sen resultados, involucralo nos custos que demandará a defunción da Fundación Galicia Saúde. O que presupón, no marco da difícil situación peninsular, a necesidade de acudir á súa Casa Matriz (léase Goberno de Galicia) afrontando os custos políticos que trae aparellados a cobertura financeira dun fracaso. A Xunta fará ou non a análise de todo o sucedido. Se é que nalgún momento se dispón a dar conta aos seus electores da verdadeira historia. Pero o prexuízo causado ao Centro Galego de Bos Aires requirirá anos de esforzo para recompor a súa imaxe A Xunta fará ou non a análise de todo o sucedido. Se é que nalgún momento se dispón a dar conta aos seus electores da verdadeira historia. Pero o prexuízo causado ao Centro Galego de Bos Aires requirirá anos de esforzo para recompor a súa imaxe ante unha opinión pública que o vise actuar como mostra emblemática da capacidade creadora e o tesón da emigración galega. Saben, quen asumiron a responsabilidade de recompor a marcha da entidade, que o camiño non será de rosas. Como o fixeron ata agora, deberán sortear obstáculos de distintos niveis e procedencia. Intrigas permanentes dos funcionarios galegos, que na súa vista á Institución mostran un perfil amable e conciliador, pero portas a fóra procuran demoler a imaxe dos seus directivos, pondo en cuestión a súa idoneidade para conducilo. A incomprensión, sen incluír a mala fe de grupos minoritarios -moi activos- que entre os profesionais médicos e o persoal administrativo, incitan ao enfrontamento cunha "patronal disposta a baleirar o Hospital". Aínda que a realidade demostre que eses directivos fan verdadeiros prodixios para reunir os fondos que permitan cubrir soldos, pagar xuízos e levantar embargos que na súa inmensa maioría obedecen a decisións das que non son responsables. Non é posible obviar neste breve comentario a impunidade coa que consuma as súas agresións un coñecido provocador, hoxe empregado do Laboratorio -coa evidente simpatía dos seus amigos en Facebook- sen que ata a data sexa levado á xustiza. Este suxeito bordeando a paranoia, tipifica a causa á que lamentablemente se unen -sen percibilo- xentes de boa fe, que estiman como solución a saída da actual Xunta Directiva do Centro Galego. O que supón abriría paso a un "mar de axudas" do Goberno Galego destinado a recompor a actual situación de Hospital. Adversarios ou amigos da actual dirigencia deberían entender, que nin a Xunta de Galicia nin o Goberno de Madrid baixan os seus orzamentos de sanidade e pechan hospitais en España, para recuperar os que deixaran abandonados na Avenida Belgrano e Pasco. O estraño é que os traballadores, cuxos dereitos e necesidades ninguén sensatamente pode discutir, non alcancen a discernir, no medio das súas penurias, que a renuncia dun presidente, ou a do corpo directivo non descomprimen absolutamente nada. Pola contra, poden precipitar un salto ao baleiro que pon en xogo a fonte de traballo. Como vemos, ante un reducido grupo de homes e mulleres preséntase a encrucillada de recuperar o Centro Galego de Bos Aires e quedar na súa traxectoria como os propulsores da súa Segunda Fundación, ou correr a sorte daqueles capitáns que ven zozobrar a súa naves. Cremos que quen partiron da nada e manteñen en pé á entidade, dificilmente consideren a segunda das opcións. Pero, está claro, nada poderán acometer con certezas de bo final sen o apoio dos seus asociados e o conxunto da sociedade arxentina que o contase como unha base sanitaria de primeira liña. Como vemos, ante un reducido grupo de homes e mulleres preséntase a encrucillada de recuperar o Centro Galego de Bos Aires e quedar na súa traxectoria como os propulsores da súa Segunda Fundación, ou correr a sorte daqueles capitáns que ven zozobrar a súa naves Compartindo inquietudes, un experimentado correspondente de axencias internacionais de noticias -socio do Centro Galego- infórmanos días atrás que a Superintendencia de Saúde a cargo de Ricardo Bellogio estaría traballando na unificación do Sistema Nacional de Saúde "público e privado" co obxecto de garantir unha cobertura máis ampla na Republica Arxentina. Aínda que non coñecemos os alcances deste proxecto nin as formas en que será implementado, o importante, en razón de comentarios recollidos entre directivos do Centro Galego é que o Hospital ten capacidade dispoñible para satisfacer unha demanda eventual e/ou permanente, sen afectar a atención que demanden os seus asociados. Aínda non se publicaron ofrecementos que permitan entrever o desexo das súas actuais autoridades consistentes en integrarse ao sistema sanitario deste país, como unha forma de revitalizar o seu funcionamento Cremos que aínda non se publicaron ofrecementos que permitan entrever o desexo das súas actuais autoridades consistentes en integrarse ao sistema sanitario deste país, como unha forma de revitalizar o seu funcionamento. Haberá quizais que promocionalo á luz do día, empregando as mesmas proporcións de audacia e prudencia e a necesaria cota de habilidade, para non tropezar coa negativa intromisión de coñecidos logradrores nos negocios que poidan proporcionarlles a sanidade pública e privada. Cadernos de Comunicación e Análise |
NOS_4202 | O BNG pide incluír na orde do día do próximo pleno do Parlamento a "comparecencia urxente" de Alberto Núñez Feixoo, a quen acusa de "faltar ao respecto aos galegos". | O BNG solicitará a modificación da orde do día do próximo pleno do Parlamento da Galiza, previsto para a próxima semana, para incluír unha comparecencia urxente do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ante a crise aberta polo impacto na Galiza da guerra en Ucraína. Así o avanzou esta quinta feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa decorrida na Cámara na que acusou Núñez Feixoo de "faltar ao respecto" aos galegos e galegas por continuar no cargo mentres participa no proceso para a súa elección como presidente do Partido Popular. "Hoxe [por esta quinta feira] Feixoo visita a Galiza pero vai seguir coa súa xira nesas eleccións ás que só se presenta el", espetou Pontón, que considera que os galegos "non merecen a falta de respecto" que, ao seu xuízo, supón escoitar ao xefe do Goberno galego dicir "que quere marchar a vivir a Madrid porque é un símbolo de liberdade". Gandeiros advirten que a viabilidade do sector está "en risco" no curto prazo Para Pontón, a situación é máis grave ao producirse nun contexto de crise de prezos para moitos sectores produtivos e para a cidadanía galega en xeral provocado polo conflito no leste de Europa. Por tanto, o grupo parlamentario do Bloque rexistrará unha petición para modificar a orde do día do pleno e incluír a comparecencia de Feixoo, que xa foi solicitada na xunta de portavoces da pasada terza feira pero se topou co rexeitamento do grupo maioritario, o PP. O BNG acusa a Xunta de "non ofrecer solucións" ante o contexto socioeconómico ao que se enfronta a cidadanía galega. "Temos unha escalada de prezos como non se lembraba en 30 anos e a inflación na Galiza medra máis que no Estado. E o Goberno galego segue sendo incapaz de pór unha soa medida sobre a mesa", subliñou Pontón. Rego acusa o Estado de "eludir" a súa responsabilidade Por outra parte, o portavoz do Bloque no Congreso, Néstor Rego, cualificou de "inadmisíbel" que o Goberno estatal vaia agardar ao próximo 29 de marzo para adoptar medidas económicas fronte á escala de prezos da luz, o gas e os hidrocarburos, e veu "inxustificábel" que "eluda" a súa responsabilidade "botando a culpa á guerra" en Ucraína. Que baixadas de prezos aplicará o Goberno estatal a partir do 29 de marzo? En rolda de prensa, Rego criticou que o Executivo pareza "non ter présa por actuar" ante a perda de poder adquisitivo que están a sufrir as clases populares e boa parte dos sectores económicos, e que só estea centrado en "botar a culpa a [Vladimir] Putin e á guerra" cando a escalada de prezos na enerxía eléctrica, agravada desde a invasión rusa, "vén de atrás". |
NOS_16246 | É un dos avogados da equipa técnica xurídica da Plataforma Nunca Máis que estes días participa no xuízo pola catástrofe do Prestige. Recoñece que a xustiza é lenta e que para a sociedade galega xa é un éxito que se celebre despois de tanto tempo. | Non hai moito público nestas primeiras sesións do xuízo...Sorprendeume. A organización preparou todo para unha grande asistencia. Calquera persoa pode asistir, non?Os xuízos son abertos todos por principio. O proceso secreto é un proceso da inquisición. O principio de publicidade é básico, sobre todo nun proceso penal. Todo o mundo ten dereito a ver e se se respectan as garantías e toda a mecánica. Hai algúns tribunais aquí en Galiza, José Juan Barreiro na Audiencia de Pontevedra, que celebra os xuízos coas portas abertas para que a sociedade poda percibir iso. Calquera que teña interese en vir non se lle pode negar o acceso. A que se debe o atraso de dez anos en celebrarse o xuízo?Calquera instrución que dure dez anos é unha instrución demorada. Neste caso explícase porque a xustiza española é lenta, fundamentalmente na xurisdición penal. O proceso penal non é un proceso sometido a termos preclusivos como os civís ou os contenciosos. A fase de instrución é unha fase de indagación, de investigación, non se axusta a ningún tipo de prazo. O problema estrutural da xustiza en relación cos tempos, sobre todo na xurisdición penal. Hai un segundo, a enorme complexidade do que aquí se estaba ventilando, sobre todo desde un punto de vista do que ten que ver coa navegación do Prestige que un pouco simboliza un entramado mafioso mundial petroleiro. E todo o que xira en torno a el, de sociedades opacas, en paraísos que se agochan, que fuxen, facía moi difícil calquera acto procesal de relevancia internacional a través de comisións rogatorias que foi como se intentou. Despois porque a magnitude dos danos causados require certo tempo para ser cuantificada rigorosamente na dimensión física e na dimensión económica, patrimonial. E por último, o xulgado de Corcubión non dispuña dos medios que se cadra debían ser necesarios para que isto se resolvera nun tempo máis curto. "Houbo un periplo de seis días entre o trece e o 19 de novembro onde o capitán non tiña ningún tipo de capacidade sobre o barco e nese foi o tempo en que o que foi un accidente converteuse nunha catástrofe" Nese período de dez anos quedaron fóra outros acusados, que pasou?A querela de Nunca Máis foi un revulsivo e cambiou a dinámica do proceso. Aquel era un momento en que estaba moi presente o sinistro e o Estado reaccionara cunha virulencia enorme. Sobre todo do capitán, facéndoo culpábel de todo o que pasara, parecía desmedido. Todo estaba focalizado, e ademais cun enorme aparato de medios, naquela figura. A sociedade vía que aquelo non o explicaba todo. Aí houbo un periplo de seis días entre o trece e o 19 de novembro onde o capitán non tiña ningún tipo de capacidade sobre o barco e nese foi o tempo en que o que foi un accidente converteuse nunha catástrofe. A sociedade víao pola televisión. Nunca Máis tomou a decisión de que se depuraran responsabilidades do que pasou neses días fundamentalmente as decisións de afastamento, as decisións de rumbos, e todo o que arrodeou aquel desastre organizativo. E dirixiu unha querela contra López Sors, a armadora do Prestige, contra o capitán e o seu primeiro oficial, mais tamén contra Arsenio Fernández de Mesa que era Delegado do goberno en Galiza, e contra Ángel del Real que era o Capitán Marítimo da Coruña. Esas tres persoas eran as máis directamente relacionadas coas decisións do barco, ou aparecía así na información en medios e na investigación que se fixera entón. Había un órgano que se chamaba CECOP, mais basicamente era un órgano acrítico, un órgano para dar cobertura ou aparente cobertura formal a decisións que estaban movidas por temas de oportunidade e de medos e totalmente "atécnica". Durante a instrución a sala, a mesma sala que hoxe esta a xulgar, levantou a imputación contra Fernández de Mesa e contra Ángel del Real. E López Sors, na súa comparecencia diante do xuíz de instrución, ratificou ser el quen adoptou as decisións críticas. Polo tanto, desde un punto de vista xurídico penal, era suficiente. Nós recurrimos ao alzamento de imputación mais a sala confirmouno e quedou do que ten que ver coas decisións tomadas entre o 13 e o 19 de novembro de 2002 en López Sors que hoxe se senta no banco dos acusados. Días antes de que comezara o xuízo publicáronse unhas conversas nas que Fomento descobre a idea de meter o petroleiro na Coruña. Que aportan? O cerne deste proceso, polo menos co que ten que ver coa responsabilidade penal neste caso dos altos funcionarios da administración marítima española e de López Sors, o que sustentou a acción de Nunca Máis e os feitos e a investigación foi confirmando foi que a decisión de afastamento do Prestige foi unha decisión que precedeu a calquera análise rigorosa da situación. Foi unha decisión tomada na mesma noite do día do SOS, o 13 de novembro, por suposto movida por un criterio basicamente de oportunidade política. Sen coñecer exactamente o estado estructural, as dimensións da fenda que o barco presentaba e a súa causa, o tipo de carga que levaba, o estado da mar e o estado dos ventos, son factores fundamentais para tomar calquera decisión. A cousa foi así. Nesa mesma noite o goberno emitira unha nota, destas informativas, onde dicía que se estaba traballando para dar remolque e afastar ao petroleiro da costa. Era unha decisión preadoptada e basicamente movida por un criterio se cadra infantil, o que teñen os nenos de que tapan os ollos e pensan que non os ves, ou sexa se non vemos o barco non temos problema. E non foi posíbel dar un cabo ao barco durante a tarde do 13 e foi derivando cara a costa. Cando chega a costa, esta moi cerca, a catro millas, dase un cabo e tamén sen saber datos esenciais para poder tomar ningunha decisión ese cabo remolca o barco con rumbo 330 cara o noroeste. Todo o que ven despois, o CECOP, as opcións, A Coruña, Corcubión,... é algo semellante a unha montaxe para dar cobertura a algo que era desastroso. "Afastar o buque foi unha decisión preadoptada e basicamente movida por un criterio se cadra infantil, o que teñen os nenos de que tapan os ollos e pensan que non os ves, ou sexa se non vemos o barco non temos problema" O goberno nunca analizou con quen tiña que analizar criticamente opcións, non había ningunha opción distinta que alonxar o buque, unha evidencia disto é que nunca se puido ofrecer unha explicación lóxica desa decisión, porque había autoridades marítimas e políticas dos estados ribereños, limitrofes que querían saber que estaba pasando, cal era a explicación deso e nunca a houbo, porque era unha decisión preadoptada. Despois quíxose facer como un puzzle e ir encaixando pezas. O goberno enviou ao petroleiro ao práctico do porto da Coruña, a serafín Díaz Regueiro, co fin de poder arrancar a máquina. Pero non para avaliar o estado do verquido, non para avaliar o estado estructural, despois se dixo que era para todo eso, para poder ter unha información que permitira... mentira. O cerne de Nunca Máis esta baseado niso. Polo tanto esa enorme neglixencia na xestión dunha fonte de risco das dimensións que representaba o petroleiro é a que pode dar lugar á responsabilidade ou mesmo a unha condena ao señor López Sors. Sen prexuízo doutras condenas, doutras responsabilidades, ese é o motivo. Esa conversa o que evidencia é que entre a xente minimamente relacionada con ese medio era obvio que ante unha situación de sinistro desas características evidentemente o que procedía era darlle algún lugar de refuxio ou abrigo ao buque para e estabilizalo e facer un trabase no posíbel. Diversos peritos que fixeron informes nestes dez anos conclúen que houbera minimizado o impacto da catástrofe. Calquera persoa cunha mínima relación co medio mariño e coa xestión de navegación nun suposto como este ten claro que calquera cousa antes do que se fixo. Existía un Plan de Continxencias para Supostos de Contaminación Mariña, que é un Plan sobre o que hai que ir facendo exercicios de mantemento e o verán anterior á catástrofe fixérase un exercicio no porto da Coruña e partindo dun suposto de crise moi semellante a este, cun buque gaseiro, as conclusións dese exercicio eran xusto as contrarias do que acabou pasando cando o sinistro foi real e non simulado. Primeiro analizar exactamente a situación, carga, verquido, estado da marea, estado da mar, estado dos ventos, e tomar unha decisión en consecuencia. Ante un buque ferido como era ese era refuxialo, non mandalo navegar porque evidentemente calquera persoa sabía que ía pasar o que pasou. E esas conversas tamén o evidencian. Non hai ningún técnico durante estes dez anos que se pronunciara a favor desta decisión porque non ten ningún fundamento, máis que a improvisación e a oportunidade política. O xuízo que se celebrou en Estados Unidos vai ter algunha repercusión neste? Esta por ver. Ese xuízo foi un desastre desde todos os puntos de vista. Primeiro no económico porque o Estado tivo que desembolsar case 30 millóns de euros. Foi unha aventura con tintes algo peregrinos. O Estado pretendía liberar a súa posíbel responsabilidade aquí no Estado español amosando un responsábel civil interposto, ou primario, que era a entidade clasificadora, que se comportou de xeito neglixente na clasificación e permitiu que un buque tivera os permisos para navegar. Esta por ver porque alí manexáronse diversos informes alleos en parte a esta causa porque o Estado, moi listo, levou informes favorábeis aos seus intereses que na instancia laminaron, segundo aquel proceso non había caso. Agora a defensa do capitán solicitou que aqueles outros informes, que non son favorábeis ao Estado, e foron determinantes da decisión daquel tribunal e o Estado agocha, veñan aquí. Canto máis amplitude de medios mellor para chegar a unha conclusión do que pasou. Non hai ningunha explicación para que se celebraran dous, un en Corcubión e outro en Estados Unidos. O Estado quedou en peor situación que ao comezar o proceso. |
NOS_50771 | Só 54 dos 823 casos precisan hospitalización. | A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 823.o que supón 11 menos ca onte. Deses 823 casos, 205 son da área da Coruña, 54 da de Lugo, 107 da de Ourense, 38 da de Pontevedra, 254 da área de Vigo, 143 da de Santiago, e 22 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 5 permanecen en UCI (eran 7 na terza feira), 49 están en unidades de hospitalización (10 menos ca onte) e 769 no domicilio. Así pois, 93% dos casos activos están nas súas casas e só 7% precisan hospitalización. Polo de agora, na Galiza hai un total de 9.798 persoas curadas, rexistrándose 615 falecementos. O número de PCR realizadas é de 137.544. Residencias de anciás No que atinxe ás residencias de anciás, hai 127 casos activos, 6 menos ca onte, dos que 68 son de persoas usuarias mentres que 59 son de traballadoras e traballadores. Os falecementos mantéñense en 272: 132 en residencias e 140 en hospitais e residencias integradas. |
NOS_17017 | Presidente do partido republicano desde 1983, Adams preséntase á reelección na conferencia de novembro. Se é reeleito, dixo, impulsará un "proceso de mudanza xeracional" á fronte da organización. | O Sinn Féin ten sobre a mesa un plan para un "cambio ordenado de liderado", segundo recoñeceu Gerry Adams, presidente do partido republicano. Unha folla de rota en cuxa elaboración tivera un papel protagonista Martin McGuinness, falecido en marzo, e que contemplaba un período de dez anos para que o proceso de renovación concluíse. O propio Adams recoñece que a proposta "foi foco de moita discusión interna" no Sinn Féin. Adams preséntase á reelección na conferencia de novembro. De saír eleito, anunciou, debullaría o proceso "de cambio xeracional no partido". Nos últimos anos, históricos dirixentes do republicanismo foron deixando sitio a novas voces, como a de Michelle O´Neill, mais Adams mantense na presidencia do SF, posto que ocupa desde 1983. Mary Lou McDonald, dirixente republicana, incidiu en que independentemente de quen ocupe a presidencia, o importante é que o Sinn Fein sexa "o vehículo para unha política progresista, para os traballadores do norte e do sur, para a unidade de Irlanda". Con 68 anos de idade, Adams está a preparar o cambio á fronte do partido cuxa vicepresidencia ocupou en 1978 e presidencia en 1983. Rostro visíbel dunha nova xeración republicana que adoptou decisións que derivaron en cambios de calado non só no SF e no republicanismo senón na política irlandesa. En 1986, e baixo a batuta de Adams, o Sinn Féin abandonaba o seu 'abstencionismo' e pasa ocupar os escanos que obtiña electoralmente no parlamento irlandés e norirlandés. Tradicionalmente, o SF non recoñecía a soberanía destas Cámaras por ser froito da 'partición' da illa. Esta decisión de participar levou a unha escisión no SF, o Sinn Fein Republicano. |
NOS_29220 | O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, anunciou este sábado unha batería de medidas en materia educativa, entre elas, a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, así como recuperar a dos libros de texto, tal e como ocorría no Goberno bipartito antes da chegada de Alberto Núñez Feijxoo a San Caetano. | En declaracións en Pontevedra, nunha xornada na que realiza varios actos de precampaña de cara ao 5-A, Caballero mostrou o seu "compromiso claro" coa educación pública, e asegurou que as medidas que propón son "factíbeis" e contan cuns custos que están "expostos" e serán viables nos Orzamentos da Xunta. O candidato socialista avoga pola "potenciación" da rede de escolas infantís, mentres valora o "avance" que supuxo no seu día a gratuidade dos libros de texto co Goberno presidido por Emilio Pérez Touriño. Como censurou, as políticas de Feixoo en materia educativa supuxeron "un retroceso". Ademais, a cabeza de lista polo PSdeG manifestou a súa aposta na FP Dual, a primeira matrícula gratuíta nos graos do sistema universitario galego e nun sistema de fondos propios de bolsas par os másteres. Tamén propón "impulsar" prazas de comedor nos centros co fin de "facilitar a conciliación; unha medida, sinala, que vai no camiño de defender "máis dereitos" para as mulleres, a través da "liberdade e igualdade real". |
NOS_31356 | Concentracións diante das casas de concello de numerosas cidades e vilas cataláns. Convócase para o 12 de novembro unha gran mobilización nacional. Intersindical-CSC convoca unha greve xeral. | Ducias de miles de persoas saíron na tarde desta quinta feira ás rúas e prazas de Catalunya para protestar polo encarceramento de 8 membros do Govern catalá e exixir a súa liberdade. As concentracións estaban convocadas para pedir a liberdade dos Jordis mais a decisión da AN converteunas nun acto en apoio aos consellers encarcerados. En Vic ou Tarragona concentráronse máis de 6.000 persoas en cada unha, segundo cálculos de medios cataláns. En Barcelona, 20.000 e en Girona máis de 15.000. Porén, as mobilizacións decorreron en ducias de localidades, con afluencias diversas, desde as máis de 1.000 de Berga ás 300 de Solsona ou as 4.000 de Terrassa. "Llibertat presos politics" foi a palabra de orde das mobilizacións, nas que se estendeu o chamamento a tomar parte o vindeiro 12 de novembro nunha gran manifestación nacional para pedir a liberdade das detidas. Greve xeral O sindicato Intersindical-CSC chamou a unha greve xeral en Catalunya para a vindiera semana. Se ben aínda non se coñecen nin a data nin os detalles do paro, estas faranse públicos esta sexta feira. Había rexistrado un preaviso para facer a greve do 30 de outubro ao 9 de novembro. |
PRAZA_12533 | Tres días antes do incendio do Eume o departamento de Rosa Quintana iniciou os trámites para comprar traxes de protección para brigadistas. Malia o procedemento abreviado de contratación non as terá dispoñibles ata o inicio do verán. | Os tempos administrativos rara vez entenden de imprevistos. A casualidade vénlle de xogar unha mala pasada á Consellería do Medio Rural. Como adoita acontecer en cada primavera o departamento agora dirixido por Rosa Quintana puxo en marcha as contratacións do material que o persoal do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios emprega durante o verán. Así, por exemplo, a finais de febreiro activou o procedemento para obter traxes de protección ignífugos, botas para brigadas e condutores de motobombas e luvas. Pero, ademais deste primeiro contrato, a Consellería ordenou outro, co obxecto do "subministro e entrega dun mínimo de 1550 monos de protección ignífugos para a realización de traballos de prevención e extinción de incendios forestais". A particularidade desta resolución é que se está a tramitar co procedemento de urxencia e que iniciou o percorrido legal o pasado 28 de marzo, isto é, só tres días antes do gran incendio das Fragas do Eume. Pero, que significa que ese procedemento de urxencia? Atendendo á Lei de Contratos do Sector Público, esencialmente que todos os trámites duran a metade que nunha contratación normal. Así, as empresas interesadas en servirlle este material á Xunta teñen só ata o vindeiro día 12 para presentar as súas ofertas. A parte económica das mesmas -denominada "sobre B"- será aberta por Medio Rural en acto público a finais deste mes e, unha vez resolta a adxudicación e formalizado o contrato a empresa aínda terá 35 días para servir as fundas. Así as cousas, todo semella indicar que o obxectivo desta operación é contar cos equipos, como moi cedo, no inicio formal do verán, malia ao adianto real da campaña de incendios deste 2012 a causa das altas temperaturas e a ausencia de precipitacións. Os pregos de condicións deste contrato público permiten coñecer, ademais do custo desta roupa de traballo, un máximo de 224.750 euros para ese número mínimo de 1.550 monos, as características técnicas que debe ter "para a realización de traballos de prevención e extinción con seguridade e eficacia", segundo se indica nas propias cláusulas do prego. Segundo consta no documento oficial, Medio Rural valora a calidade do "tecido principal hidrofugado", os "velcros costurados en cruz", os "reforzos nas perneiras" e nos ombreiros, as proteccións nos cóbados, a existencia de petos adicionais aos mínimos esixidos ou a inclusión do preceptivo material reflectante. Ademais, cómpre que o fabricante teña en conta a resistencia térmica e ao vapor de auga ou se a funda encolle ou non ao ser lavada. Mangueiras en marzo O que semella un erro na Plataforma de Contratación Pública da Xunta -incluíuse un documento que non corresponde co contrato das fundas de traballo- permite coñecer tamén que, entre as compras habituais de material anti incendios, Medio Rural tramitou tamén a mediados de marzo a subministración "de tramos de mangueiras para a realización de traballos de prevención e defensa contra os incendios forestais durante o ano 2012". Dada a data na que está asinado o prego de condicións técnicas, o 12 de marzo e as características do mesmo todo semella indicar que, ao contrario que no contrato das fundas, neste non hai ningún tipo de excepcionalidade. Destinadas aos vehículos autobomba, a Consellería esixe que as mangueiras sexan "novas, de recente fabricación, de tipo moderno e de primeira calidade". "Dado que este material será utilizado en operacións de extinción, en duras condicións de traballo, as súas características básicas serán tales que reúnan unhas condicións de robustez, lixeireza, facilidade de manexo, conservación e mantemento, que aseguren a máxima efectividade e duración do mesmo", explica. Así, por exemplo, as mangueiras deben ter 25 milímetros de diámetro interior, "en tramos de 20 metros de lonxitude". Ademais, o tecido do material "posuirá un tratamento que o protexa contra os fungos, bacterias e microorganismos" e Medio Rural "establecerá o anagrama ou texto que se marcará de forma indeleble en todos os tramos da mangueira". Neste caso, o orzamento para mercar un mínimo de 1.280 treitos de mangueira, de 20 metros cada un, é de 120.320 euros. A compra, na Plataforma de Contratación da Xunta |
NOS_966 | A partida de case 659.000 euros para pagar salarios e cotizacións aos capeláns que prestan asistencia relixiosa nos hospitais públicos e concertados de Galiza figura como "servizos relixiosos" en "atención especializada". | O Sergas ten orzamentada para 2018 unha partida de 658.664 euros destinadas a persoal relixioso, unha cifra levemente superior á que destinou á mesma finalidade en 2017 (652.000 euros). Neste 2018 son 52 as prazas de relixiosos orzamentadas: 41 a xornada completa e 11 a media xornada. Unha partida que ten a súa orixe no convenio que en 1995 asinara o Sergas coas dióceses galegas e polo cal o sistema público de sanidade sufraga salarios e cotizacións aos capeláns que prestan asistencia relixiosa nos hospitais públicos e concertados de Galiza. En 2018 o Sergas destina a pagar capeláns nos hospitais 3% máis que hai catro anos Son gastos que figuran como "atención especializada". Ao longo destes anos, oposición parlamentar e colectivos en defensa da sanidade pública pediron sen éxito que esa partida fose a outros destinos máis necesarios. O PP defende contra vento e maré que, en virtude daquel convenio asinado cando Romay Beccaría era conselleiro de Sanidade, eses miles de euros de diñeiro público vaian para pagar relixiosos. As EXI (estrutura de xestión integrada: en Galiza hai 7 EXI que se encargan da xestión das 11 áreas sanitarias) con maior dotación 'relixiosa' son as de Compostela e Vigo: en cada unha, 9 capeláns: 7 a tempo completo e 2 a tempo parcial. 113.319 euros orzamentados para cada unha desas EXI. A seguir, as EXI de Ourense, Verín e O Barco; e máis a de Pontevedra e O Salnés, con 8 capeláns cada unha. Partida de 106.000 euros para a primeira e de 99.000 para a segunda. A EXI da Coruña ten 7 prazas para relixiosos (92.000 euros), o mesmo número que a EXI de Cervo, Lugo e Monforte (outros 92.000 euros). Por último, e con 4 capeláns, a área de Ferrol, cunha partida de case 42.500 euros. Contratación en función do número de camas A contratación de capeláns, tal e como explicaba a xornalista Beti Vázquez, no nº32 do semanario Sermos Galiza (xaneiro de 2013), faise en función do número de camas. Así, por menos de 100 camas, un capelán a tempo parcial. De 101 a 250, un relixioso a tempo completo e outro a media xornada. De 251 a 500, corresponderíalle 2 capeláns a tempo completo e 1 a tempo parcial. Entre 501 e 800 camas, 3 capeláns a tempo completo. De pasar das 800 camas, entre 3 e 5 relixiosos. |
NOS_35782 | O A Fondo desta semana analiza a realidade do VIH dende Galiza, con voces expertas do ámbito médico, activistas e experiencias persoais. Podes adquirilo na nosa loxa. | Un diagnóstico de VIH positivo deixou de ser xa, na nosa contorna, sentenza de morte. Os avances científicos conseguiron domear o virus e reducilo a enfermidade crónica (en Occidente, non no resto do planeta con difícil acceso a antirretrovirais). Porén, os logros médicos foron acompañados da necesaria normalización social? Elimináronse os prexuizos? A discriminación desapareceu? O A Fondo desta semana adéntrase neste debate, dende Galiza e con persoas expertas tanto no ámbito médico como do tecido cívico. Afrontamos, ademais, os efectos da crise na abordaxe do VIH e na amputación do movemento cidadá, así como as ameazas específicas da contracción do virus para as mulleres. O caderno de análise de Sermos Galiza está coordenado, esta semana, por Flora Miranda Pena, médica e voluntaria do Comité Anti Sida de Santiago nos anos 90. Escriben, dende o ámbito médico, Antonio Antela, internista na consulta de Enfermidades Infecciosas do Hospital Clínico de Santiago; e Lola Ferreiro Díaz,feminista e experta en saúde mental, que aborda o VIH dende a perspectiva de xénero. "Tentouse abrir o debate sobre a controvertida normalización da enfermidade e facer un chamamento á necesidade de conservar un patrimonio irrenunciable, a Sanidade Pública Universal", afirma Flora Miranda. Voces expertas e activistas Dende a experiencia persoal, dende a convivencia co virus, fala Xulia Alonso Díaz, autora do libro Futuro imperfecto (Xerais, 2010). A partir da súa experiencia como activistas do movementos cívica escriben Ignacio Iglesias, traballador social e liberado, nos anos 80, do Comité Anti Sida de Santiago, e Cándida Álvarez, da asociación Lazos, de Vigo. A entrevista, á psicóloga Dorotea Martínez, traballadora do Comité Antisida de Santiago durante máis dunha década, até a súa desaparición, aborda, entre outras cuestións, os efectos da diminución nas axudas públicas no movemento cidadá. "Tentouse neste monográfico abrir o debate sobre a controvertida normalización da enfermidade e facer un chamamento á necesidade de conservar un patrimonio irrenunciable, a Sanidade Pública Universal", afirma a coordenadora do A Fondo, Flora Miranda. Os avances científicos Antonio Antela expón a evolución no tratamento do VIH: "Dende o punto de vista dun clínico dedicado case exclusivamente ao coidado de persoas que viven con VIH dende o comezo da década dos 90, resulta emocionante reflexionar sobre o moito que avanzamos". Ao importante papel desempeñado polas e polos profesionais da saúde pública fai referencia Xulia Alonso, quen denuncia o actual desmantelamento do sistema sanitario: "Custou tantos anos conseguir todo isto que resulta inxustificable o proceso de desmantelamento que a nosa sanidade esta sufrindo". "Hai unha sensación de normalidade, de que temos o control, pero non é certo", explica Dorotea Martínez, ex traballadora do Comité Antisida de Santiago. As discriminacións que se manteñen Aos riscos específicos que o VIH ten para as mulleres, que chegan a metade das persoas afectadas no mundo e o 60% das afectadas na África subsahariana, alude Lola Ferreiro Díaz: "A menor resistencia mecánica da mucosa vaxinal fai que se erosione máis doadamente que a pel do pene durante o coito e, xa que logo, o risco de infección é máis alto". "Hai unha sensación de normalidade, de que temos o control, pero non é certo", explica Dorotea Martínez en relación ao VIH. Na entrevista que protagoniza, explicita a discriminación sutil que se mantén na actualidade, o relaxamento nas medidas de prevención e o consecuente repunte do virus. |
PRAZA_15273 | O líder conservador toma posesión por segunda vez como presidente da Xunta nun fugaz acto no que Soraya Sáenz de Santamaría o gabou como dirixente "integramente galego" e exemplo da unidade de España. Galería de imaxes no interior | A comezos de 1990 Manuel Fraga escenificou o seu retorno a Galicia cunha travesía polas rúas de Santiago. Nada máis tomar posesión desprazouse a pé dende o Parlamento ata a Praza do Obradoiro, nun baño de multitudes previo a un acto aínda máis multitudinario. Aquela foi a inauguración dun xeito de conmemorar o inicio do mandato dos presidentes da Xunta que Fraga repetiu tres veces máis e que o socialista Emilio Pérez Touriño reproduciu, con variacións estéticas e sen paseo, en agosto de 2005. O mesmo fixo Alberto Núñez Feijóo en abril de 2009 cando, ao son da rehabilitada Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e en presenza de Mariano Rajoy, escenificou o retorno do PP ao poder nun Obradoiro ateigado. Nada disto aconteceu este sábado. Feijóo tomou posesión no Parlamento e só no Parlamento, nun fugaz acto que tivo como banda sonora, en segundo plano a protesta dos afectados polas preferentes. Cando, pasadas as once e media da mañá, a maioría dos convidados e convidadas ao acto xa estaban no Pazo do Hórreo unhas duascentas persoas concentrábanse ante el para reclamar que os "ladróns" de Novagalicia Banco lles devolvan os seus aforros "estafados". "Non tedes vergoña!", "non faltan cartos, sobran ladróns!" eran algúns dos berros que se podían escoitar ao paso dos membros do Parlamento e das persoas convidadas, fortemente protexidas por unha banda de antidisturbios. Cando restaban escasos minutos para as doce Feijóo descendeu pola escalinata principal do interior do edificio. Acompañado pola presidenta da Cámara, Pilar Rojo, e pola vicepresidenta do Goberno central, Soraya Sáenz de Santamaría, dispúxose a asumir por segunda vez o cargo de presidente. "A determinación de Galicia e a miña propia é contribuír á recuperación da nación da que formamos parte e que nos une" Se a persoa encargada de narrar o acontecido alí fose experta no relato de eventos deportivos podería recorrer ao lugar común de falar dun "partido sen historia". O líder conservador prometeu o cargo ante textos oficiais e simboloxía católica e, vinte e seis minutos despois, xa estaba no vestíbulo recibindo apertas e parabéns. Antes diso pronunciou un brevísimo e ritual discurso no que, como en campaña e igual que no debate de investidura, centrou o seu esforzo en situar o seu Gobenro, con el á fronte, en adaíl da saída da crise. "A determinación de Galicia e a miña propia é contribuír á recuperación da nación da que formamos parte e que nos une", afirmou tras "agradecerlle" ao rei "que asinase o Real Decreto do meu nomeamento". El, como calquera gobernante, di, "non pode elixir a época na que lle toca gobernar" e por iso, en tempos de dificultades, afirma, fai seus os principios da "Constitución de 1812" no referido á procurar a "felicidade da nación". Por iso, asegura, como xefe do Executivo autonómico tentará "catalizar as virtudes da cidadanía para transformalas en decisións axeitadas", especialmente se estas serven para darlles "esperanza" aos "compatriotas" sen emprego, que "son vítimas dunha situación que non provocaron". Feijóo, "integramente galego" Sáenz de Santamaría recorreu a glosar o caracter "loitador", "tenaz" e "esforzado" do pobo galego Ante un auditorio maioritariamente formado por membros do PP e no que non sentaba ningún representante de AGE nin do BNG, Feijóo amosouse convencido de que Galicia "é máis forte porque é española e europea" esen que isto implique ser "un país uniformado onde rexe o pensamento único nin unha identidade exclusiva". Esa identidade foi a interpretada glosada por Sáenz de Santamaría no seu discurso, previo ao de Feijóo, no que recorreu a algúns dos lugares comúns sobre o "loitadora" e "tenaz, pero serea e enteira" que é esta "terra", coñecida "no mundo polo esforzo dos seus traballadores e o éxito dos seus emprendedores". Á fronte do Goberno estará alguén que é "integramente galego", di, cunha praxe política enmarcada no convencemento de que "o crecemento económico non nace do levantamento de fronteiras e lindes". Sen "unidade", acrecenta, a "economía española non volverá crear emprego". O himno galego, interpretado pola cantante Rosa Cedrón e acompañado por unha soa gaita, foi o peche dun acto que seguiron dende as primeiras bancadas, ademais dos pais e a irmá do presidente, a ministra de Fomento, Ana Pastor, os ex presidentes Touriño, Laxe e Albor e tamén a dona de Mariano Rajoy, Elvira Fernández, situada ao carón das principais autoridades malia non ostentar cargo político ningún. Remataron os acordes do himno e Feijóo atendeu innumerables mostras de parabéns. No exterior, baixo a chuvia, duascentas persoas seguían a reclamar a devolución dos seus aforros. "Sabedes que isto é un roubo!", clamaban aos que saían do Pazo do Hórreo. Discurso de Feijóo na súa toma de posesión |
NOS_48889 | Fefa Noia tira de clásicos para botar a andar a temporada do CDG. A primeira produción propia da compañía pública con Fefa Noia á fronte estréase esta sexta feira e permanecerá até o 16 de outubro no Salón Teatro. | Tartufo' abre esta sexta 23, ás 21.00 horas, no Salón Teatro de Santiago a temporada 2016-2017 do Centro Dramático Galego (CDG), que elixiu esta coñecida obra de Molière sobre os perigos da impostura e do artificio como primeira produción propia da nova etapa da compañía pública con Fefa Noia á fronte. O valenciano Carles Alfaro dirixe a posta en escena desta versión, que poderá verse en Compostela até o 16 de outubro para iniciar a continuación unha xira por outros nove escenarios galegos. Con esta montaxe o CDG amplía a seis o número de funcións semanais que ofrecerá na súa sede, que acollerá dous pases matinais concertados con centros escolares os martes e mércores e catro funcións xerais de xoves a domingo (ás 20.30 horas de xoves a sábado, e ás 18.00 horas os domingos). Fefa Noia subliñou o diálogo artístico interxeracional que se establece no elenco de 'Tartufo', do que forman parte 10 actores e actrices elixidos entre os máis de 230 candidatos que participaron no proceso público de selección: xunto a Alejandro Saá no papel de Tartufo, Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero e Patricia Torres. "Eles dan mostra da boa saúde da interpretación en Galiza, con nomes xa indiscutibles na historia recente da nosa escena xunto a novos valores que teñen moito que dicir", asegurou. O valenciano Carles Alfaro dirixe a posta en escena desta versión, que poderá verse en Compostela até o 16 de outubro para iniciar a continuación unha xira por outros nove escenarios galegos. Tanto o traballo actoral como o do resto do equipo artístico foi gabado tamén por Carles Alfaro, para quen esta é a súa primeira experiencia escénica en Galiza logo dunha ampla traxectoria como director da súa compañía, Moma Teatre, e de numerosos espectáculos para outros centros públicos de produción como Teatro de La Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, Teatro de la Zarzuela, Teatro Español en Madrid, Teatro Nacional de Catalunya ou Teatre Lliure. Para o seu traballo no CDG, o director valenciano contou, ademais, con Baltasar Patiño (deseño de escenografía), Diego Valeiras (vestiario), Anxo Graña (música orixinal), Trini F. Silva (caracterización), Loli Ramos (tradución), Roi V. Ponte (asesoramento lingüístico) e Vanesa Sotelo (asistencia de dirección). Comedia lúdica e lúcida O obxectivo desta versión é conseguir, pois, unha proposta lúcida e lúdica que, desde a comedia, reflicta os claros e escuros da obra orixinal, da ollada "tenra, crítica e burlesca, tamén cara a si mesmo, de Molière", asegurou o seu director, Carles Alfaro Este foi, de feito, un dos textos máis controvertidos de Moliére e un dos que maiores problemas lle causou pola súa crítica implícita do xogo de poderes, os falsos devotos e a sociedade das aparencias. Na versión do Centro Dramático Galego, a ambientación cambia a Francia cortesá do Rei Sol pola sociedade dos "felices anos vinte" do século pasado. |
NOS_16545 | Paro do persoal "pola mellora asistencial e laboral" | O persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Galiza está convocado desde esta segunda feira a unha greve indefinida. Un paro convocado polo comité de folga dos PAC e que colle o relevo das dúas greves parciais que se protagonizaron nestes meses. A ausencia de diálogo por parte do Sergas e a falla de vontade da administración para atopar unha solución ao conflito son os argumentos que o comité pon riba da mesa para convocar esta medida. Como exemplo poñen que durante todo este tempo o Comité de Folga non foi convocado para negociar. "As peticións do colectivo seguen a ser os 11 puntos que nos uniron en toda a xeografía galega fai perto dun ano: a retirada dos obxectivos da derivación hospitalaria, equipos completos enfermaría-médica, revisión de plans funcionais, valoración de riscos e equipos de protección acorde ao traballo que desenvolvemos ou un cómputo de xornada correcto onde os permisos e as baixas nos compute neutro a efectos de xornada, son algúns dos exemplos", explican desde o organismo convocante da greve. Segundo datos publicados pola Consellaría, "en 2017 atendéronse máis de 1.548.000 urxencias nos 90 PAC de Galiza; 767.000 nos seis primeiros meses de 2018" e houbo un "alto índice de resolución, de máis do 90% sen necesidade de derivación hospitalaria". Malia aumentar a actividade asistencial, os PAC non están dotados como deberían, sinalan desde o persoal, e os equipos sanitarios son mínimos. "A incompetencia da Xunta na sanidade galega é un problema que non se pode esconder máis", afirman. |
NOS_13792 | Fai uso da maioría na Cámara galega para tombar a iniciativa contra as execucións hipotecarias achegada polo BNG e apoiada polo PSOE. @s conservador@s din que o código de boas prácticas para as entidades bancarias impulsado polo Goberno español xa é suficiente | Máis unha vez, a maioría do PP botou abaixo unha proposta da oposición no Parlamento galego. Desta volta, @s conservador@s rexeitaron a toma en consideración da iniciativa do BNG para reclamar no Congreso español reformas lexislativas que posibiliten a dación en pagamento, ao argumentar que a execución hipotecaria "exceden o ámbito desta Cámara" e que o proxecto de lei de vivenda, en fase de tramitación, "contempla xa medidas para paliar os efectos da crise sobre os galegos en dificultades". O voto en contra o PP no primeiro trámite da iniciativa imposibilita o debate no Congreso. A deputada nacionalista e voceira de Vivenda, Isabel Sánchez, defendeu a proposición de lei no pleno, destacando que nos últimos catro anos as execucións de hipotecas subiron nun 186% e foron máis de 8.000 familias as que se viron afectadas. No que vai de ano van xa 1.400 execucións. "É un panorama absolutamente demoledor", valorou Sánchez. "Os bancos lucráronse coa burbulla inmobiliaria e agora queren trasladar o problema á sociedade", queixóuse a nacionalista, adiantando que o rescate á banca traerá canda si "recortes orzamentarios e nos servizos". Sobre o RD que contempla a dación en pagamento para saldar as contas co banco, a deputada do BNG cualificouno como unha medida que procura "aparentar que se conceden dereitos", pois os requisitos que se exixen son tantos que beneficia a poucas persoas. A nacionalista asegurou, que a "rixidez do marco procesual" non admite analizar alternativas diferentes ao pagamento da débeda vencida como a "entrega da vivenda como pago da débeda contraída". Nesta liña, Sánchez defendeu "a dación de pago para a cancelación da totalidade da débeda hipotecaria no caso de debedores de boa fe" asumindo a entidade financeira a perda de valor do inmoble que taxou cun "valor máis alto do real". Pola súa banda, a ex conselleira e deputada do PSOE María José Caride mostrou o apoio do seu grupo parlamentar á idea de procurar alternativas nun panorama que considerou "de extrema dificultade para moitas familias que non son responsábeis da crise". E cadrou tamén coa interpretación do BNG na liña de que "nun exercicio de marketing" o Goberno español aprobou un código de boas prácticas para a dación en pagamento cuxa aplicación real fica suxeita á arbitrariedade das entidades bancarias. |
NOS_33890 | A Plataforma de afectadas polo vertedeiro de Miramontes (Santiago) fala de "desastre ambiental" e pide unha investigación "rápida e eficaz". | Escalos e troitas mortas no Tambre ao seu paso por Ponte Albar o pasado 22 de xuño. Peixes mortos en Tapia poucos días despois. Unha situación que se volveu repetir en Tapia esta fin de semana mentres en Ponte Albar a auga presenta escuma, unha cor moi escura e "un cheiro nauseabundo". Para a Plataforma de Afectados Polo Vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes, hai un "desastre ambiental" que no Tambre nestas semanas. "Queremos manifestar a nosa indignación e preocupación pola alta mortaldade de peixes con orixe aínda indeterminada. Sorpréndenos a escasa difusión que o feito está a ter nos medios de comunicación pese á súa gravidade e reiteración no tempo, e cremos que esta situación de alarma medioambiental require da intervención urxente das distintas administracións", indican desde este colectivo ambientalista. Instan as autoridades a unha investigación rápida e eficaz e lembran que, no percorrido do Tambre cara a ría de Noia, varias poboacións se abastecen das súas augas, aparte de utilizarse tamén para fins recreativos. |
NOS_23404 | Esta cuarta feira, ás 19:30, decorrerán concentracións en Compostela, Vigo, A Coruña e Ferrol en rexeitamento dos asasinatos machistas e a indefensión das vítimas. | Mulleres organizadas en grupos de acción local na Coruña ou en Compostela, na Marcha Mundial das Mulleres de Ferrol, Ourense, xunto con diversas mulleres militantes do feminismo galego, convocan concentracións en todo o país "en repulsa á ineficacia dos poderes públicos e contra o patriarcado que aínda permea na sociedade galega", o que leva cobradas, afirman, "as vidas de medio centenar de galegas desde o ano 2003, sete delas no 2014, e case 700 no Estado español". Diferentes entidades e colectivos, como o sindicato CIG, amosaron o seu apoio a esta acción "de rexeitamento da violencia machista, esiximos responsabilidades, e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega" a tomar parte nas concentracións. Lugares e horas das concentracións xa confirmadas: - A Coruña, diante dos Xulgados ás 19:30 horas. - Ferrol, diante dos Xulgados ás 19:30 horas. - Ourense, diante dos Xulgados ás 19:30 horas. - Compostela, diante dos Xulgados ás 19:30 horas. - Lugo, diante dos Xulgados ás 19:30 horas. |
NOS_2464 | CIG denuncia a "actitude irracional" de Tarlogic no que é, afirma, unha vulneración "do dereito á liberdade sindical do persoal". | A empresa tecnolóxica Tarlogic, de Teo, vén de despedir tres traballadores ao coñecer que estaban promovendo eleccións sindicais e que pretendían presentar unha candidatura da CIG. É a denuncia que fai o sindicato nacionalista. "Dáse a casualidade de que un deles acababa de pasar a ser indefinido e que a argumentación da empresa para xustificar o seu despedimento, e o dos seus compañeiros, foi "perda de confianza", sinala a central nun comunicado CIG explica que os traballadores informaron directamente á empresa da súa intención de elixir unha persoa representante e mesmo convocaron unha xuntanza con Recursos Humanos, que informou á dirección. "Aos dous días de celebrarse unha asemblea coa CIG foi cando Tarlogic procedeu a comunicarlles o despedimento fulminante". A empresa, sinala o sindicato, mesmo ofreceu indemnizacións aos traballadores por despido improcedente. "Ofrecéronlles os cartos para que calaran e non reclamaran o despedimento", explica Renato Núñez, representante da CIG. "Aos dous días de celebrarse unha asemblea coa CIG foi cando Tarlogic procedeu a comunicarlles o despedimento fulminante" Aínda nestas circunstancias o persoal de Tarlogic decidiu seguir adiante coa convocatoria de eleccións sindicais "e presentar unha candidatura da CIG composta por 12 persoas para elixir un só delegado, apoiando así aos compañeiros despedidos". A CIG denuncia a actitude "irracional" da empresa que "opta pola represión contra un grupo de traballadores que simplemente buscaban elixir unha persoa representante do conxunto do cadro de persoal". A central sindical lembra que a empresa está vulnerando o dereito á liberdade sindical do persoal. |
NOS_4831 | O prezo mínimo desta cuarta feira, segundo os datos proporcionados pola Rede Eléctrica de España, deuse entre as 3 e as 4 horas, mentres que o máximo será de 21 a 22 horas. | O prezo medio da electricidade coa tarifa regulada sobe esta cuarta feira até os 276,06 euros o megawatt/hora (euros/MWh) —incluíndo os custos de comercialización, peaxes e outros cargos, isto é, o prezo real sobre a factura—, segundo os datos publicados no día de hoxe por Rede Eléctrica de España. Por treitos horarios, o prezo máximo da luz para esta cuarta feira darase entre as 21 e as 22 horas, con 342,12 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 232,82 euros/MWh, rexistrouse entre as 3 e as 4 horas. Esta cuarta feira o prezo medio do 'pool' —prezo base que negocian as compañías produtoras e comercializadoras de enerxía— é de 184,57 euros/MWh. Deste modo, aumenta en perto de 2,5% a respecto dos 180,01 euros/MWh de media desta terza feira, segundo datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE). 2021 fechou como o ano máis caro da serie histórica, cun prezo medio de 111,93 euros/MWh debido á espiral alcista rexistrada no 'pool' no segundo semestre. En comparación con hai xusto un ano, o prezo do 'pool' para esta cuarta feira será 140,83% superior aos 61,09 euros/MWh do 25 de maio de 2021. Por outra parte, o prezo medio do mes de abril foi de 191,52 euros/MWh, case 90 euros por baixo de marzo, que deixou o rexistro máis elevado da historia (283,3 euros/MWh). |
NOS_9771 | Junts pel Sí coida que o éxito confirma o apoio popular á ruptura con España. Catalunya Si Que Es Pot rexeita o "atallo" dunha Declaración Unilateral de Independencia e critica a "manipulación" da Diada. As CUP consideran o 11S un punto de partida no proceso de ruptura. | [Vídeo do percorrido da Via Lliure publicado pola ANC] A resaca da multitudinaria "Via Lliure" coa que arredor de dous millóns de persoas celebraron a Diada na Meridiana de Barcelona, visa o alcance dunha convocatoria que tivo lugar coincidindo co inicio da campaña electoral rumo aos comicios do 27-S. Non foi, nin de lonxe, unha Diada máis. Para alén da espectacular demostración de apoio popular das forzas soberanistas, a de onte foi unha convocatoria marcada pola claridade e a contundencia da mensaxe. Independencia, foi a palabra de orde dunha convocatoria que hai catro anos botaba a andar reclamando apenas o "dereito a decidir". Televisións, radios e prensa de todo o mundo deron conta do clamor social en Catalunya a prol da constitución dun estado de seu O impacto da Diada atinxiu nivel mundial. Así o confirma a ampla cobertura que a prensa internacional realizou da manifestación. Televisións, radios e prensa de todo o mundo deron conta do clamor social en Catalunya a prol da constitución dun estado de seu, segundo recolle o dixital catalán Vilaweb. Cabeceiras como The Guardian, The New York Times, Financial Times, The Wall Street Journal, The Telegraph, Le Monde ou Die Zeit, e cadeas de televisión co a británica BBC, Euronews ou Al-Jazeera cubriron informativamente tanto o decorrer deste 11S como, sobre todo, o seu contexto político. Reaccións As reaccións ao grande suceso da Diada non se fixeron esperar. Os organizadores da convocatoria, a ANC e o Òmnium Cultural apostaron porque a de onte fose a derradeira Diada "da Catalunya autonómica" e manifestaron de que non van aceptar "nin claudicacións nin falsas vías". Desde a Assemblea Nacional Catalana advertiron da súa disposición a canalizar accións de desobediencia civil, diante de posíbeis bloqueos ou atrancos que desde o Estado español se poidan poñer ao proceso soberanista no caso de se producir unha vitoria independentista o 27-S. O President, Artur Mas (CDC), interpretou o resultado da manifestación como "un clamor moi forte e moi claro" co que "unha nación con lingua e cultura propias que para seguir sendo ela mesma e para progresar pide simplemente ter un Estado, un instrumento para seguir sendo no futuro o que foi no pasado". Mas, chamou ao Estado español a abandonar o "orgullo imperial" e deixar de "ameazar" ao povo catalán. Oriol Junqueras, presidente de ERC, e parceiro de Mas na candidatura Junts pel Si (JpS), defendeu que na Diada "a cidadanía expresouse de forma moi clara" e demandou a convocatoria dun referendo cunha soa pregunta "se queren que Catalunya sexa un estado da Unión Europea". O soberanismo defende que o éxito da convocatoria visa o apoio popular á independencia Para Antonio Baños, cabeza de lista por Barcelona das CUP, a marcha de onte foi "o punto de partida" na "loita pola liberdade do povo catalán". Baños defendeu a necesidade de encher de contido a independencia como vía de ruptura que se substancia nun proceso constituínte para transformar a realidade. As forzas estatais insistiron na súa oposición ao proceso soberanista en marcha, malia o enorme apoio popular que o empurra. Neste sentido Alfredo Pérez Rubalcaba (PSOE) pedía a Artur Mas que clarificase se quere "convivir ou divorciarse". A líder do PP en Catalunya, Alicia Sánchez Camacho, reprochou ao President "renunciar a ser o Presidente de todos" nuns termos case exactos aos utilizados pola candidata de Ciudadanos, Irene Arrimadas. Pola súa banda, a Vicepresidenta do Goberno español, Soraya Saenz de Santamaría, rebaixaba lixeiramente o tono apelando a analisar a situación "con frialadade". Catalunya Sí Que es Pot, ausente na Diada, rexeita o "atallo" dunha Declaración Unilateral de Independencia Desde Catalunya Sí Que Es Pot, a candidatura que aglutina a Podemos, ICV e EUiA, volveron marcar distancia co proceso soberanista. O seu cabeza de lista, Lluís Rabell, rexeitou participar na Diada ao considerar que a convocatoria estaba "instrumentalizada". Ao remate da mesma acusou a Artur Mas de "manipular" o Onze de Setembre para o converter nun acto de campaña para a súa reelección. Malia recoñecer o éxito da convocatoria, Rabell advertiu de que "non pode haber atallos" para a "aspiración nacional" de Catalunya. Desta maneira reitera a oposición da súa candidatura diante dunha eventual Declaración Unilateral de Iindependencia, prevista na folla de rota de Junts pel Sí, negando o carácter plebiscitario do 27-S. Desde Catalunya Sí Que Es Pot, pola contra, apostan pola convocatoria dun novo referendo "con garantías". En termos coincidentes con Rabell expresouse tamén Joan Herrera, de ICV (forza integrada na súa candidatura). "Precisamos maioría do 70% ou do 80%, non queremos un país partido pola metade" defendeu, en contraposición ao criterio de Junts que coidan unha maioría absoluta no Parlament como aval democrático suficiente para poñer en marcha a ruptura con España. [Foto: @palamospower] |
NOS_2574 | A crise provocada pola pandemia da COVID-19 está supoñendo o definitivo impulso dos e-Sports en todo o mundo, e Galiza non ía ser menos. Así, na Coruña desenvolverase desde o vindeiro día 17 de abril a primeira edición dun torneo de FIFA 20 organizado pola Concellaría de Deportes. | Continuando co programa #EuQuedoNaCasa e #ActívomeNaCasa, que se vén desenvolvendo desde o Concello da Coruña, a Concellaría de Deportes organiza o I Torneo e-Sports Cidade da Coruña, no que poderá participar toda a veciñanza maior de 16 anos. A competición de FIFA 20 para Playstation 4 desenvolverase a partir do vindeiro día 17 de abril, e os encontros retransmitiranse vía streaming pola web municipal. O Regulamento e o formulario de inscrición están xa dispoñibles na páxina web do Concello, así como nas redes sociais da propia Concellaría. As persoas interesadas poderán inscribirse desde hoxe até as 23:00 horas do día 15 de Abril de 2020, e recibirán nos seus enderezos electrónicos a confirmación da súa participación, así como a data na que xogarán o seu primeiro partido, o seu rival e as instrucións para facelo. Os e as participantes optan a gañar como primeiro premio unha Playstation 5 e un xogo FIFA 21 –que recibirán cando estean dispoñíbeis no mercado, probabelmente no último trimestre do ano-, así como o dereito a competir nun partido contra o gañador do partido de FIFA 20 que disputarán futbolistas profesionais do Dépor e do Celta e que tamén será retransmitido pola web do Concello da Coruña. O obxectivo da iniciativa é facer "máis livián" a situación de confinamento provocada pola pandemia da COVID-19 entra a mocidade, segundo sinalan desde a Concellaría de Deportes. |
NOS_23462 | Ademais de irmos traendo até estas liñas textos comprendidos entre os anos 1010 e 1573 para documentar os topónimos e apelidos aquí tratados, facilitamos unha fotografía dunha inscrición procedente do pazo abacial das Estacas (Cuntis) que foi tirada por Damián Porto Rico. Segundo o que se indica nela, a lareira de tal construción nobre realizouse en 1613, sendo reitor da freguesía o bacharel Gabriel Raxoi. Concluímos este fascículo cunha entrevista á escritora Mercedes Queixas Zas, que convida a cidadanía a restaurar os seus nomes e apelidos. | Do numeral latino quintus, empregado como termo militar na época romana, como indica Xosé Ramón López Boullón, designarase tanto unha rúa como unha "praza da casa señorial ou a propia casa señorial". De aí os substantivos Quintá, Quintán e Quintáns. Posteriormente ha definir un grupo de vivendas ou o espazo que existe entre elas, equivalente –por tal circunstancia– ao termo quinteiro. Existen unhas 130 entidades de poboación galegas con algún dos citados topónimos e, e no tocante aos apelidos existen máis de 260 persoas apelidadas Quintá, en 14 concellos (Rodeiro, Antas de Ulla, Padrón, Forcarei, Pontecesures...); 29 son Quintán no seu segundo apelido, en dous municipios (Oia e Marín), así como máis de 2.620 Quintáns, asentados en 59 concellos (encabezados por Dumbría, A Baña, Rianxo, Muxía e Cee). Porén, tamén hai uns 1.600 individuos apelidados Quintana, forma castelanizada de Quintá ou Quintán. No plano histórico, José Antonio Souto Cabo transcribía outrora un documento polo cal María Quevivas de Mourazos lle vendía a Fernando Estévez certos herdos o 16 de novembro de 1265. Entre as persoas citadas nese documento vinculado co mosteiro de Montederramo figura un Pedro Fernández da Quintaa. Por outra banda, nos textos de Toxos Outos dáse conta, por exemplo, dos reguengos de Quintanis aló polo ano 1152. Coa definición de pazo, entre a documentación do ACS consérvase un texto que fai referencia ás Quintaas de Laios (A quinta de Laxos – Caldas de Cuntis) en 1308. Outrora, tamén existía unha xurisdición e "juzgado de Tierra de Quinta e Baleirón", anexados no seu día aos xulgados de Cordeiro e Padrón. Como exemplo da asimilación toponímica por unha determinada familia localizamos un texto do ACS, elaborado no século XVI, no que se asegura que "Alonso das Quintáas, vezino de la felegresía de Santa María de Bamonde", fillo de "Juan das Quintáas", conseguía o arrendamento do "lugar y casal que se dize y nonbra das Quintaas". O numeral latino "quintus", segundo López Boullón, pasou a designar tanto unha rúa como unha "praza da casa señorial ou a propia casa señorial", unha quinta O topónimo Quinteiro pode ter a mesma etimoloxía que Quintás e Quintáns, aínda que Luz Méndez sinala existe a posibilidade de que derive do "latín tardío quitarium, medida de capacidade". Hoxe en día Galiza conserva 25 entidades de poboación con este nome, o cal debeu servir para designar moitas familias. A forma castelanizada Quintero só a usan unhas 335 persoas en 16 concellos (Samos, Palas de Rei, Monterroso, Pontedeume, Burela...), mais desta volta resulta maioritaria a forma propiamente galega, xa que ascenden a 1.700 as persoas usuarias, que se distribúen por Cotobade, Touro, Vila de Cruces, O Pino, Arzúa e 48 municipios máis. Entre os fondos do cenobio de Ferreira de Pallares hai unha venda que en abril de 1261 efectúan "John Munionis e Fernando Munionis e Munio Munionis", xunto coas súas mulleres "Maiore Iohannis, Maria Iohannis, Eldara Petri". Os compradores serán "donno Munionis Fernandi e uxori vestre donne Maiori Alfonsi", e os bens froito dese intercambio comercial son aqueles localizados "in casali de Quinteyro, in parrachia Sancte Marine de Laureyro". Entre as testemuñas que están presentes asina "John Petri de Quintaes". Trescentos anos máis tarde hai un documento de concordia (custodiado no ACS) no aparece o apelido Quinteiro escrito coa forma que hoxe se coñece. Segundo o vertido nel, "Rodrigo de Pardiñas, platero, vezino de la dicha çiudad" de Santiago e "Juan de Quinteiro, vezino de la felegresía de Santiago d'Antas, mayordomo (...) concordaron el uno con el otro en la manera e forma que sigue: que el dicho Rodrigo de Pardiñas tiene de azer al dicho Juan de Quinteiro una cruz de plata labrada". Este texto foi pasado perante notario o 12 de agosto de 1566. Luz Méndez recorda que Quinteiro, de non ter a mesma etimoloxía que Quintá, podería derivar do "latín tardío 'quitarium', medida de capacidade" O seguinte topónimo que imos tratar recórdanos unha das obras do egrexio galeguista Manuel García Barros. As aventuras de Alberte Quiñoi é unha das pezas narrativas mais senlleiras deste autor estradés. Na freguesía de San Simón de Rodieiros (Boimorto) existen dous lugares denominados Quiñoi, que se diferencian pola súa localización orográfica (de Arriba e de Abaixo). Quizais a súa etimoloxía habería que relacionala con numeral latino quintus (quinto) ao que se lle engadiría o sufixo aumentativo –onis, para dar quinionis e de aí Quiñoi. Deste termo procede a palabra quiñón ("cantidade que lle corresponde a cada un dos que participan en determinadas reparticións"), cuxo plural –Quiñóns– tamén ven sendo un apelido galego. Este rexístrase, na forma castelanizada Quiñones, en máis de 450 persoas e concretamente en 14 concellos (Folgoso do Courel, Sanxenxo, Ribas de Sil, Poio...). O outro, Quiñoi, úsano –rematado en "y"– 400 persoas en Santiso, Melide, Vila de Cruces, O Pino, Negreira e 10 municipios máis. No que atinxe á documentación antiga, interésanos destacar unha solicitude polo cal os veciños do couto de Dormeá (Boimorto), reunidos no "lugar de Boymyll, felegresía de San Myguel de Boymyll, coto de Dormeao, a veynte e ocho días del mes de junyo del año del señor de myll e quynientos e çinquenta e seys anos" piden que o mordomo "Vasco de Quynoy, el qual hera muy viejo" fose substituído por outro. A respecto de Quiñóns, debemos lembrar a existencia dunha ermida chamada "San Bartolomé de Quiñones, que está en el destrito de la felegresía de Sant Istebo d'Oca" (A Estrada), documentada xa por 1573. Nesa mesma parroquia, e segundo un texto do ano seguinte, "Bertolamé Reimóndez de Quiñones, vezino de la çiudad de Santiago" fixera e edificara "en la aldea de Castrotión, felegresía de Sant Estevan d'Oca, de la diócisis de Compostela, en mi propio territorio, una hermita y capilla dedicada a la adbocaçión de la Anunçiaçión de la Birben Santa María, Nuestra Señora". Manuel García Barros é autor da obra 'As aventuras de Alberte Quiñoi' Isidoro González Millán sinalaba hai tempo que do termo radiolum podería saír o topónimo Raxoo, para logo derivar en Raxó. Así e todo, segundo as pescudas que puidemos realizar nos fondos do mosteiro de Santa María da Armenteira, o núcleo de poboación de Raxó, hogano San Gregorio de Raxó (Poio), era designado Rajola en tempos do emperador Afonso VII, xa casado daquela con Riquilda de Polonia. O documento, datado o 20 de xaneiro de 1155, exprésao así: "hereditate que est in terra de Salnes, et vocatur Canelas, et est in ripa maris (...) sicuit dividit ex una parte de Samineira et ex altera parte Dorron et de Rajola (...)". Ante esta circunstancia, habería que preguntarse se Raxó procedería, por conseguinte, do antropónimo feminino Ragiola. O apelido Quiñóns pode proceder da cantidade que lle corresponde a unha persoa en certa repartición Corrido o tempo, en 1391 ese lugar xa se designa como couto de Rajôo. Ademais desta freguesía, temos no país dúas entidades de poboación con ese nome, en San Simón de Ons (Cacheiras – Teo) e San Pedro de Matamá (Vigo), concretamente. No que atinxe ao apelido homónimo, só se constatan unhas 470 persoas que o usan, mais emprégano na forma Rajó en 15 concellos, dos cales os máis destacados (por entidade de poboación) son os do Saviñao, Pantón, Salvaterra de Miño, Monforte de Lemos e Ponte Caldelas. Por 1433, segundo o Minutario notarial de Pontevedra, era "Ares Garçia de Rajoo, mercador, vesiño da villa de Pontevedra", e dous anos máis tarde, na mesma capital do Lérez, vive "Lopo Afonso de Rajoo, mareante". Polo menos no século XVI constátase a presenza do "x" nalgunhas persoas que usan tal apelido. Serve de exemplo un documento conservado no ACS, do 19 de maio de 1574, polo que certa muller de nome "María Gomes, residente en la dicha çibdad" de Santiago, dicíase viúva de "Pedro Álvarez Raxó, sastre" e "bezina de la villa de Monforte de Lemos". Agora é a quenda do apelido Raxoi, que Gonzalo Navaza e outras persoas consideran que procede do nome persoal Ragiolus (posibelmente en xenitivo). Ese nome aparece tanto en feminino como en masculino na diplomática de San Salvador de Celanova. Velaí que, como recolle Navaza, polo ano 1010 un home chamado Tello se diga casado cunha tal Ragiola ("ego Tello et uxor mea Ragiola"). Segundo Navaza, Raxoi deriva do nome persoal 'Ragiolus' Ragiolo, ademais, é o nome dunha testemuña que figura nun par de contratos de compravenda de 1005 e que se localiza na referida fonte documental. Por outra banda, só existen tres lugares así denominados hoxe en día, concretamente en Santa María de Luneda (A Cañiza), San Miguel de Valga (no concello do mesmo nome) e San Pedro de Vilanova (Vedra). A estes habería que lles engadir un Portarraxoi en San Xiao de Pontecesures. En oito concellos podemos comprobar a presenza do apelido; encabezados por Forcarei, Monterrei, Cerdedo, Caldas de Reis e Padrón, suman non máis de 147 persoas as que o usan na forma castelanizada Rajoy. Con independencia de facermos referencia ao arcebispo compostelán Bartolomeu Raxoi Losada (1751-1772) e ao profesor de dereito civil na USC Enrique Rajoy Leloup (1882-1966) entre os persoeiros salientábeis que levan este apelido, queremos dar conta dun par de documentos históricos, un deles epigráfico. Natural ou oriúndo da cidade de Compostela foi o "bachiller Graviel de Raxoi", que como vemos grafa con "x" o seu apelido aló polo ano 1587 e dise fillo de "Alonso de Raxoi". O primeiro toma hábitos e, alén de ser crego en determinados lugares, ocúpase dos beneficios curados de San Fins das Estacas e San Mamede de Piñeiro (Cuntis). No pazo abacial da primeira das freguesías dáse conta de que o sinalado crego ergueu a lareira do inmoble. Así, no lateral esquerdo do seu escudo de armas, figura: "Bachiller · Gabriel A · R[a]xoi · Fecit · 1613". Entrevista á escritora Mercedes Queixas Zas: "Cando vin que o apelido Queixas era o que ía poder legar sentinme un pouco máis plena e coherente coa miña ascendencia" Que opinión ten sobre a restauración da onomástica galega? O avance na restauración do noso idioma en todas as súas representacións é mostra do avance na súa restitución cara a un uso normalizado. Foino cando se reparou a toponimia e a microtoponimia e tamén o é cando nos identificamos na forma en que nos recoñecemos ante os demais polo noso nome e apelidos. Non lle resulta curioso que os topónimos galegos teñan como única forma oficial, obviamente, a do idioma galego e no caso dos apelidos non? Vivimos un proceso de normalización lingüística que comezou coa recuperación da democracia e se fixou en 1983 coa aprobación da Lei de normalización lingüística; un proceso de implantación irregular e moi incompleto, que foi avanzando moi lentamente porque así se decidiu desde a política lingüística de contención aplicada polos gobernos do PP na Xunta de Galiza, cunha breve paréntese no goberno bipartito que implicaba algúns avances que o PP, que actualmente goberna, dilapidou de forma agresiva e reaccionaria. Un goberno comprometido coa vida plena do galego tería activada a sensibilización do pobo cara á reparación da súa onomástica, tanto desde a autocorrección como desde a transmisión galeguizada interxeracional. Son sabedor de que vostede restaurou o seu apelido primeiro á forma oficial galega. Cando aconteceu? Cales foron as razóns que a levaron a iso? Fíxeno en 1993, nada máis rematados os estudos de Filoloxía na UDC, que me axudaron a entender os porqués da anormalidade sociolingüística en que viviamos. Por outra banda, había un relato familiar que sempre me acompañaba con estrañeza, como unha especie de nobelo que había que desenredar. O meu avó paterno dicía que era da parroquia de Queixas, no Concello de Cerceda, da casa dos de Fontes. O seu documento de identidade nomeábao como Ricardo Queijas Fuentes. Houbo algún tipo de complicación á hora de tramitar a petición? Nunca esquecerei o día en que fun ao Rexistro Civil da Coruña con toda a documentación administrativa preparada para tramitar a mudanza do meu apelido paterno. Cando o entreguei todo, o funcionario miroume inzado de prepotencia e díxome sinalándome co dedo índice: —No sabe usted donde se mete. Desde a conciencia activa que nacía da formación académica respondinlle: —Claro que o sei. Tramite a documentación, por favor. Despois de me advertir que me preparase para agardar tempo e tempo, deille as grazas e saín. A mudanza produciuse moi rápido e cando vin que o apelido Queixas era o que ía poder legar sentinme un pouco máis plena e coherente coa miña ascendencia. Unha sensación próxima a ter saldada unha conta pendente. Animaría ás galegas e galegos a restaurar os seus apelidos? Convido a dar ese paso reparador no plano individual, sabendo que tamén implica transcendencia colectiva á hora de construírmos un Nós pleno como pobo galego. A nosa onomástica é a nosa carta de presentación e identificación. Palabras contadas que o contan todo de nós. |
NOS_53889 | O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza defende o dereito de manifestación contra a resolución das subdelegacións do goberno de Pontevedra e Ourense que denegaron á UGT e CCOO o dereito de se manifestaren o día 8 de outubro por estar en período electoral. Máis unha vez, o PP se enfronta á xustiza pola súa interpretación da lei electoral. | A sentenza do Tribunal Superior dálle a razón a UGT e a CCOO nas súas denuncias contra as subdelegacións do goberno de Ourense e Pontevedra que impedían o dereito de reunión ao estaren convocadas as manifestacións en período electoral. A sentenza alude á incompetencia das Xuntas electorais para decidiren arredor dun dereito fundamental e remítese á LOREG para asegurar que por estar en tempo electoral, as manifestacións non poden ser consideradas "actos electorais".A sentenza do Tribunal Superior bate contra as resolucións das Subdelegacións do goberno de prohibición das manifestacións convocadas polos sindicatos baseadas en informes das Xuntas Electorais Provinciais que indican como única razón da denegación "a coincidencia coa campaña electoral".O Tribunal Superior estima o recurso contencioso-administrativo interposto polos representantes legais dos sindicatos contra a resolución das Subdelegacións do Goberno "anulando as resolucións recorridas por resultar vulneradoras do dereito de reunión, con expresa imposición de costas á administración demandada". |
NOS_27682 | Advirten cláusulas abusivas nos novos contratos. | O Sindicato Labrego Galego (SLG) volve denunciar as cláusulas sobre os custos de produción que introducen as industrias lácteas nos novos contratos que se están a asinar na Galiza. Segundo anuncia nun comunicado, o sindicato vén de rexistrar un escrito de denuncia na Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica) no que se dá conta da "extorsión" que están a sufrir as granxas ao seren obrigadas a falsear a cláusula do contrato na que se di que o prezo pactado coa industria cobre os custos de produción. Esta práctica, apuntan desde o Sindicato Labrego Galego, violaría o novo artigo da Lei da cadea alimentaria de maneira xeneralizada por parte das industrias lácteas, que inclúe nun dos seus apartados a obriga de que figure no contrato "indicación expresa de que o prezo pactado entre produtor primario agrario, gandeiro, pesqueiro ou forestal ou unha agrupación destes e o seu primeiro comprador cobre o custo efectivo de produción". Para demostrar que os novos contratos que se están a asinar, inclúan ou non a cláusula, incumpren sistematicamente a cobertura deses custes, o Sindicato Labrego Galego cita na súa denuncia o Estudo de Custes e Rendas das Explotacións Agrarias (Ecrea) elaborado polo Ministerio de Agricultura e que sitúa os custos medios de produción das granxas lácteas galegas en 39 céntimos. Este dato contrasta cos índices de prezos medios publicados polo Observatorio do Sector Lácteo do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), que revela uns prezos medios ponderados ao redor dos 32 céntimos, e con tendencia á baixa nos novos contratos que se están a asinar. Na súa denuncia, o sindicato sinala a práctica maioría de operadores e industrias como culpábeis e "o inmenso temor ás represalias" que teñen as granxas de denunciar por si mesmas ou de negarse a asinar uns contratos nos que non se di a verdade. "Con esta denuncia, desde o Sindicato Labrego Galego agardamos que a Aica, como organismo competente para realizar as comprobacións que corresponda das denuncias por incumprimentos da Lei da cadea alimentaria, actúe e poña fin ás prácticas mafiosas da industria láctea obrigando a pagar ás granxas un prezo xusto e digno polo leite que realmente cubra os custos de produción". |
NOS_18003 | Arquivado o procedimento sancionador aberto en setembro contra a radio comunitaria coruñesa CUAC FM, ao ter aceitado a Xunta as alegacións formuladas polo Colectivo de Universitarios Activos. Non haberá multa, mais si se mantén a prohibición de emisión en FM. CUAC FM continuará confinada ás emisións na rede. | CUAC FM safa de ser sancionada -o procedimento podería levar aparellada unha multa entre os 101 e os 200 mil euros-, mais recebe a advertencia formal de que a resolución do arquivo "racha calquera expectativa de CUAC FM para volver a emitir na FM", segundo a comunicación recibida pola radio comunitaria. A Xunta admite que CUAC emite en FM desde hai máis de 20 anos "de boa fe", "sen ánimo de ocultación" e sen que existan "terceiros prexudicados". A administración autonómica valoriza tamén "o cesamento das emisións" [por parte de CUAC] "no momento de recibir a notificación da sanción. CUAC FM enfatiza que a propia Xunta recoñece na súa resolución que a interpretación da Lei 7/2010 Xeral de Comunicación Audiovisual -en virtude da cal se expulsa a radio comunitaria da FM- "pode crear certas dúbidas interpretativas". Así as cousas, CUAC anuncia que recorrerá esta resolución por a estimar "inxusta e contraria á lei vixente, xa que impón unha situación de facto que impide o exercicio de direitos fundamentais". En canto non se resolver esa apelación, a radio comunitaria continuará a emitir exclusivamente por internet. |
PRAZA_16903 | O 20 de abril de 1949 seis homes foron abatidos pola Garda Civil neste lugar, no límite entre Monforte e A Pobra do Brollón. Dende hai dous anos un equipo investiga aquí estes feitos e o pasado sábado varias charlas afondaron no que sabemos sobre a guerrilla antifranquista en Galicia. | O 20 de abril de 1949 a Garda Civil rodeou a coñecida como Casa do Facha, unha vivenda no lugar de Repil -no límite entre Monforte e A Pobra do Brollón- que era empregado por guerrilleiros antifranquistas como acocho temporal. Tras un intercambio de disparos, seis guerrilleiros foron abatidos e a familia propietaria da casa, detida, finalizando deste xeito unha das últimas grandes batallas entre a guerrilla e as forzas do réxime no sur da provincia de Lugo. Este sábado os seis homes foron homenaxeados no marco dunha xornada que tamén incluíu charlas de expertos e unha explicación sobre os avances das investigacións que dende hai dous anos se desenvolven neste lugar, nas dúas vivendas empregadas como refuxio polos guerrilleiros. Tras un intercambio de disparos, seis guerrilleiros foron abatidos e a familia propietaria da casa, detida, finalizando deste xeito unha das últimas grandes batallas entre a guerrilla e as forzas do réxime no sur da provincia de Lugo A guerrilla, unha das máis activas das que loitaban en Galicia, estaba comandada polo berciano Evaristo González Pérez, alcumado Rocesvinto ou Roces, que morreu. Tamén morreron ese día Guillermo Morán García ("Asturiano"), Gregorio Colmero Fernández ("O Porreto de Torbeo") e Julián Acebo Alberca ("O Guardiña). Resultaron gravemente feridos Fermín Gutiérrez Lada ("O Segura") e Samuel Mayo Méndez. Na súa persecución participaban ao redor de 150 axentes da Garda Civil, chegados mesmo dende outras provincias. A memoria recobrada Logo deste suceso, moi traumático para a veciñanza da zona, a casa foi abandonada e esquecida. Pero non a esqueceu Antonio Díaz Amaro, descendente dos propietarios e que mantivo viva a memoria do lugar. En 2016 o lugar foi recuperado polos arqueólogos cunha perspectiva de "Arqueoloxía do Conflito" e cunha finalidade de converter o espazo nun recurso para a Educación na Paz e na Convivencia. O enclave foi dende 2016 obxecto de diversos estudos de distintas disciplinas incluíndo dende o baleirado documental de revistas e outros documentos da época, a entrevista cos veciños e descendentes dos protagonistas ou o estudo dos materiais arqueolóxicos atopados. Nunha segunda campaña, que vén de comezar, ademais da excavación en si, incorporaranse novos métodos como a utilización dun gradiómetro co que se realizará un estudo magnético do subsolo puidendo revelar estruturas non visibles en superficie. O uso do gradiómetro é idóneo neste momento xa que o lugar se atopa limpo de vexetación logo dos devastadores incendios de 2017. Durante a vaga de lumes o inmoble foi cercado polo lume mais salvado polo esforzo dos brigadistas. Xurxo Ayán, director de intervención, destaca que "se os incendios foran dous anos antes, a Casa de Repil seguramente sería arrasada, pero no 2017 o lugar xa era un lugar con significado para os mozos brigadistas que participaron na extinción". En 2016 o lugar foi recuperado cunha perspectiva de "Arqueoloxía do Conflito" e co obxectivo de converter o espazo nun recurso para a Educación na Paz e na Convivencia Ayán incide na importancia desta segunda intervención arqueolóxica polo deterioro do propio lugar arqueolóxico e pola curta duración da primeira campaña. A intervención, que está promovida pola Asociación de Veciños María Castaña de Cereixa e o Concello da Pobra do Brollón está conectada á outra gran aposta arqueolóxica do territorio: O Castro de San Lourenzo. "Temos unha visión integral do territorio e da historia", comenta Ayán. "O que estamos a facer no castro é unha peza máis; o que queremos é reconstruir as formas de vida da parroquia de Cereixa: O castro, María Castaña, a emigración, a Casa de Repil, etc, todo son pezas do mesmo puzzle", di. Xornada guerrilleira na Pobra do Brollón Ademais da homeaxe -que incluíu unha ofrenda floral e unha pequena actuación musical- durante todo o sábado desenvolveuse na Pobra do Brollón unha Xornada Guerrilleira con charlas a cargo de expertos e expertas da historia da guerrilla galega, comezando polo propio Xurxo Ayán ("Arqueoloxías da guerrilla"). Interviron tamén Manuel Gago ("Corrían espidos entre o millo: a guerrilla galega entre a realidade, a lenda e aficción"), Celtia Rodríguez e Mario Saturnino Pereiro ("Arqueoloxía da Cidade da Selva") e Xiana Vilar ("Turismo memorial da guerrilla en Galicia"). A xornada finalizou coa conferencia de Alejandro Rodríguez e Xurxo Ayán titulada "A guerrilla antifranquista en Galicia-León (1944-1952). Que pasou en Repil?". Entrega de dous corpos recuperados Na mesma Pobra do Brollón, o vindeiro sábado 28 terá lugar o acto de entrega dos corpos de dous homes asasinados pola represión franquista Ademais, na mesma Pobra do Brollón, o vindeiro sábado 28 terá lugar o acto de entrega dos corpos de dous homes asasinados pola represión franquista varios anos antes do enfrontamento de Repil. Trátase de José Rodríguez Silvosa e Ramón Somoza Álvarez, xastre un e tratante o outro, mortos polas súas ideas. Os seus restos foron recuperados pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). A ARMH, o Concello da Pobra do Brollón o Concello de Monforte organizan un acto solemne no que participarán autoridades, poetas, músicos e veciñanza, e que terá lugar na Casa da Cultura 'Olga Novo' ás 12.30 horas. |
NOS_49678 | A campaña de extracción de polbo estenderase no país até o inicio da veda de 2023. | Na madrugada desta segunda feira, contra as 5 horas, comezou a campaña do polbo na Galiza, que se prolongará até o inicio da veda de 2023, nunha data que se fixará a través do correspondente plan experimental e que se publicará antes do seu comezo. Segundo trasladou a Consellaría do Mar, así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie durante a campaña 2022-23. Neste senso, explicou que segundo estabelece este documento, entre o 4 de xullo e o 31 de agosto a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilos ao día por cada tripulante a bordo, até un máximo de 210 quilos nunha única xornada. No resto da campaña, a cota máxima será de 50 quilos por embarcación e día, cantidade á que se engaden 50 quilos diarios por cada tripulante enrolado a bordo, até un máximo de 350 quilos por día. Mais… os polbos soñan?: unha investigación de científicos brasileiros suxire que poden facelo O horario de traballo das embarcacións con nasa para o polbo iniciarase ás 6 horas —aínda que poderán saír do porto ás 5 horas— e rematará ás 16 horas. Aliás, o número de nasas permitido queda fixado en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes a bordo. Réxime en caladoiros Sobre o réxime de calado das nasas, a Consellaría detallou que de cabo Silleiro a Corrubedo os aparellos terán que levantarse do seu calamento e levar a porto todos os días. Con todo, contempla as seguintes excepcións: na zona de cabo Silleiro a Con da Aguieira, aquelas que estean estabelecidas en fondos superiores aos 20 metros poderán ficar no seu calado sen seren levadas a porto mesmo durante o período de descanso semanal. Este mesmo sistema rexerá para a cara oeste da illa de Ons, desde O Con da Serriña até o illote do Centulo, onde as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto e sen limitación de profundidade. Amador Porta: "O polbo ten que triscar un pouquiño" Por outra parte, na zona de Con da Aguieira a cabo Corrubedo até o 1 de outubro terán que levantarse as nasas e levalas a porto todos os días. Desde esa data até o inicio da veda do ano seguinte as nasas poderán ficar caladas mesmo durante o período de descanso semanal. No resto do litoral galego, as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, mesmo durante o período de descanso semanal. Sexa como for, a Xunta asegurou que a actividade será controlada a través do programa de seguimento e control levado a cabo pola subdirección xeral de Gardacostas da Galiza, en colaboración cos gardacostas das confrarías de pescadores e os servizos contratados ao efecto. |
NOS_1499 | Unha circular do 061 emitida onte a empresas do sector pídelles que procedan á "retirada inmediata" dos modelos afectados e que informen da cantidade retirada. Desde a CIG afirman que "esas máscaras repartíronse entre as empresas de ambulancias e nalgunhas xa se estaban utilizando cando se deu a orde de retiralas, polo que o persoal estivo exposto ao contaxio e a contaxiar, crendo que estaba protexido". | A Xunta informaba esta cuarta feira que tivo que inmobilizar na súa plataforma de distribución, antes de ser remitidas a ningunha das áreas sanitarias, 12.000 máscaras de protección que non cumprían coas especificacións requiridas para ser utilizadas contra o coronavirus. Porén, unha circular do 061 remitida na mesma quinta feira a UTE (unións temporais de empresas) do sector das ambulancias pedíalles que procedesen á "retirada inmediata" do modelo Elite EB09.04 (FFP3) e dun lote das KN95 Mask Purvigor (FFP2). Os dous modelos dos que o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo alertou de que non cumprían as especificacións de filtrado requiridas para ser utilizadas nesta pandemia. Nesa mesma circular, á que tivo acceso Nós Diario, pidese a cada unha desas UTE que notificasen ademais "a cantidade deste tipo de máscaras retiradas". Esas máscaras repartíronse entre as empresas de ambulancias e nalgunhas xa se estaban utilizando cando se deu a orde de retiralas, polo que o persoal estivo exposto ao contaxio e a contaxiar, crendo que estaba protexido" Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG criticou nun comunicado "as mentiras" da Administración galega en relación aos dous tipos de máscaras retirados esta mesma semana por defectuosas. "Á Xunta sae publicamente asegurando que non hai risco porque aínda que mercaron este tipo de máscaras, estas non saíron da Plataforma de Distribución. Cando isto non é verdade. Esas máscaras repartíronse entre as empresas de ambulancias e nalgunhas xa se estaban utilizando cando se deu a orde de retiralas, polo que o persoal estivo exposto ao contaxio e a contaxiar, crendo que estaba protexido", puntualiza. Relacionado con isto, Pastoriza repróchalle ao Goberno galego "que levamos dez días agardando a que se fagan os prometidos test serolóxicos a todos os traballadores e traballadoras das ambulancias, pero a día de hoxe só se realizaron probas a un grupo reducido do persoal". Pola súa banda, Xabier Aboi, da CIG, en declaracóns a Nós Diario afirma que ese modelo de máscaras defectuosas si que se repartiron entre persoal de ambulancias, "se ben xustifican que é dun lote diferente mais iso non nos convence," e aponta que tamén puideron ser epartidas nalgúns centros de saúde "da zona do Salnés". Máis de 200 sanitarias contaxiadas polo uso de máscaras "defectuosas" Cómpre lembrar que a pasada sexta feira o Sergas recoñecía aos sindicatos na Comisión central de seguridade e saúde que habíai 1.233 traballadoras do Sergas contaxiadas polo coronavirus e situou nunhas 240 as afectadas con positivo en COVID-19 polo uso das máscaras de protección defectuosas que foron retiradas após a realización de máis de 5.000 probas a usuarios destas. |
PRAZA_4992 | O desemprego baixa en febreiro en España por vez primeira dende o inicio da crise. Hai 1.949 persoas desempregadas menos e 38.964 afiliadas máis á Seguridade Social. En Galicia hai 1.006 persoas menos en paro. | O comezo de ano non adoita ser unha época especialmente favorable para o emprego. Con todo, en febreiro os datos deron un respiro pouco usual en tempos de crises: o paro baixou levemente en 1.949 persoas até un total de 4.812.486 de persoas desempregadas e a Seguridade Social gañou 38.694 afiliados. Ambos os datos supoñen unha novidade: no primeiro caso, porque é a primeira vez desde que comezou a crise que o paro baixa nun mes de febreiro; no segundo, porque desde 2008 a ocupación sempre caera en termos interanuais (é dicir, que en comparación co ano anterior sempre se destruía emprego) e neste caso creceu un 0,38%, tal e como se encargou de adiantar o presidente do Goberno a semana pasada. En Galicia o número de persoas en paro descendeu en febreiro en 1.006 e en termos interanuais o descenso é de 12.752 En Galicia o número de persoas en paro descendeu en febreiro en 1.006 (un 0,36%) e en termos interanuais, o descenso é de 12.752, un 4,35%, lixeiramente inferior ao descenso que nos últimos doce meses se produciu en toda España (un 4,52% e 227.736 persoas menos). O número de galegos e galegas afiliadas á Seguridade Social creceu en febreiro en 1.613 persoas, pero en termos interanuais, dende febreiro de 2013, a cifra é negativa, con 6.299 persoas afiliadas menos. O dato de paro desestacionalizado é aínda mellor: baixa en 55.353 persoas no conxunto do Estado. No caso da ocupación, se se eliminan os efectos do calendario, a cifra reséntese levemente: a Seguridade Social gaña 34.246. No caso dos datos ofrecidos polo Ministerio de Emprego, é a afiliación á Seguridade Social a que agora mesmo ofrece unha fotografía máis exacta do estado do mercado laboral. Nos últimos meses, o paro rexistrado sufriu vaivéns e baixou en varias ocasións, pero moi impulsado pola perda de poboación activa: os datos mostran as persoas rexistradas nas oficinas de emprego, pero non se as baixas se deben a que atoparon un emprego ou a outros motivos. Por esa razón, a baixada do rexistro por si soa é insuficiente para saber se o mercado laboral dá signos de reanimación. A Seguridade Social, en cambio, dá unha idea de se o emprego segue destruíndose ou non. Neste sentido, febreiro foi o primeiro mes desde que comezou a crise no que España comezou a crear postos de traballo en termos interanuais: hoxe hai case 62.000 afiliados máis que hai un ano, un 0,38% máis. No entanto, o número de afiliados está en niveis similares aos de 2002, é dicir, que a última década está perdida en termos de emprego. Foron a educación, a construción, a hostalaría, e as actividades inmobiliarias os sectores que en febreiro tiraron do mercado laboral. Febreiro foi o primeiro mes desde que comezou a crise no que España comezou a crear postos de traballo en termos interanuais: hoxe hai case 62.000 afiliados máis que hai un ano, un 0,38% máis A evolución dos datos é diferente entre homes e mulleres: o aumento da afiliación é parecido (un número similar de homes e de mulleres atoparon emprego), con todo, o paro feminino creceu moi lixeiramente en febreiro mentres que o masculino se reduciu. O número de mulleres paradas segue sendo maior que o de homes en desemprego: 2.477.864 fronte a 2.334.622. Que contratos se crearon? En febreiro rexistráronse 1.090.879 contratos, un 14,8% máis que hai un ano. Esta suba interanual débese, sobre todo, ao aumento dos temporais: estes creceron unha 15,7% fronte ao aumento do 6,8% dos estables. Entre os novos contratos, os indefinidos só representan o 9% (97.804 dos 1.090.879). Aumentan máis os estables a tempo parcial, que crecen un 9,3%, mentres que os de tempo completo aumentan un 4,9%. Tanto os contratos de formación coma os de prácticas rexistran aumentos moi significativos respecto ao ano pasado: os primeiros crecen un 49,5% e os segundos, un 44,7% Tanto os contratos de formación coma os de prácticas rexistran aumentos moi significativos respecto ao ano pasado: os primeiros crecen un 49,5% e os segundos, un 44,7%. Precisamente, no último ano o Goberno aprobou varias medidas para flexibilizar o uso deste tipo de contratos, que están tamén fortemente bonificados. Menos prestacións O número de persoas beneficiarias de prestacións non deixa de caer: en xaneiro (o dato publícase cun mes de atraso respecto ao de paro rexistrado) había 2.805.275 perceptores, un 8,4% menos que no mesmo mes do ano anterior. A cobertura do sistema de protección social tamén baixa, un 4,8%, até o 61,4%. A outra cara desta diminución da protección é a baixada do gasto que supón o desemprego para o Estado: 2.382 millóns en xaneiro, un 14,2% menos que en 2013. |
NOS_24297 | A serie Matalobos puxo fin a catro anos de culto. | Após cinco temporadas, a serie Matalobos --producida por Voz Audiovisual e a Televisión de Galiza-- puxo punto e final á historia de Sardiñeira. A serie deixa tras de si máximos históricos de audiencia para a televisión pública e longas ringleiras de siareir@s que seguiron durante catro anos as historias da familia Matalobos. Os narcos con máis sona de Galiza, despedíronse a pasada terza feira do público galego que @s agasallou cun Trending Topic no seu último capítulo. Após Mareas Vivas, Matalobos converteuse nunha das series máis exitosas da grella televisiva, motivo polo cal a TVG decidiu emitir un programa especial despois do último capitulo. |
QUEPASA_742 | SEA presentou un vídeo promocional do polígono | Segue baleiro o Parque Empresarial de Buño. E para reactivalo, o Concello de Malpica e Suelo Empresarial del Atlántico veñen de presentar un plan. A idea principal é ofrecer máis da metade da superficie (uns 15.000 m2) en réxime de aluguer con opción a compra, no coñecido modelo de "Dereito de Superficie". Así o ratificaron na reunión mantida onte, confirmando que as cifras que deberían abonar os emprendedores son moi reducidas, de só 90 euros ao mes para parcelas de 1.000 metros cadrados e de 109 euros para as de ata 1.466 metros cadrados. Na modalidade de Dereito a Superficie, as empresas poden instalarse sen necesidade de afrontar o gasto da compra do chan. Así, poderían continuar nesta modalidade durante un período de ata 30 anos ou ben optar por comprar a parcela, cunha redución parcial das cantidades abonadas previamente. Vídeo promocional Ademais de material en papel, que se editará proximamente, SEA presentou o vídeo promocional elaborado para impulsar o polígono industrial e que recolle a súa proximidade ao porto pesqueiro, á Coruña, a Santiago e as súas enormes posibilidades como área empresarial para distintos sectores. |
NOS_40881 | Última ocasión para un combinado que se desfai ante os ollos de Europa | A expresión francesa 'déjà vu' define esa sensación que todos tivemos algunha vez na que pensamos "oes, que estou eu xa o vivín antes", e que representa mellor que ningunha palabra da que dispomos no idioma galego a situación relativa ao que se está a vivir arredor da selección española de fútbol, pois tal parece que todo isto xa acontecera hai exactamente 23 anos, no Mundial de Francia. Os paralelismos son inevitábeis. O seleccionador por aquel entón, Javier Clemente, igual que Luis Enrique no día de hoxe, tamén era unha figura polarizante, distanciada da meirande parte da afección e que protagonizaba interminábeis e amargas polémicas coa prensa. Unha das críticas máis recorrentes que recibía o técnico vasco era por empregar xogadores fóra da súa posición natural -o porteiro José Francisco Molina debutou como internacional como interior dereito-, escola da que Luís Enrique é un máis que digno herdeiro, como pode dar fe o mellor centrocampista da pasada Liga, Marcos Llorente, reconvertido a lateral dereito. Outra característica en común que teñen é a marxinación dos astros galegos. Fran apenas disputou oito partidos entre 1992 e 1998, mentres que Iago Aspas e Angeliño parecen non existir para o actual seleccionador. Isto débese, en parte, á forma en que ambos conciben a selección, non como un equipo onde reunir os mellores xogadores en cada momento -onde sen dúbida estarían os astros de Carreira, Moaña e Coristanco-, senón unha camarilla de afíns onde factores como o o estado de forma pasan a ser secundarios. Isto tradúcese nun rendemento deportivo máis que cuestionábel que levou a Clemente a caer eliminado na primeira rolda do Mundial de Francia 98, un destino semella que profético para un Luís Enrique que só será quen de rachalo conseguindo unha vitoria ante Eslovaquia ás 18 horas da cuarta feira. A lóxica indica que o ex adestrador do Celta debería aplicar numerosos cambios técnico-tácticos para tratar de corrixir a desesperada situación, mais coñecendo Luís Enrique, e salvo que sucumba a presións superiores da Federación, parece que nomes como o do cuestionadísimo Morata volverán ser da partida. Portugal loitará por rachar coa historia: os lusos deben reivindicarse ante Francia Unha parte da prensa lusa imbuíu a dura derrota de Portugal ante Alemaña (2-4) de certo carácter simbólico, de fin de ciclo, como a da propia España no Mundial de 2014 ou a daquela Brasil de Ronaldo e Cafú nos oitavos da Copa do Mundo 2006 que alcanzara as finais dos tres torneos anteriores. Na cuarta feira (ás 21 horas) Portugal pretende loitar contra ese sambenito demostrando que o de Alemaña foi pouco máis que un accidente causado en gran parte pola funesta actuación individual dun Nelson Semedo que foi titular unicamente pola baixa de João Cancelo e que aínda é un dos combinados favoritos a facerse co título. Para iso terá que pasar por enriba dunha Francia que tamén tivo o seu pequeno Waterloo na segunda xornada, pois non puido pasar do empate ante Hungría. A pesar de que un empate debería chegar para que ambos os equipos clasificasen, ese punto dos húngaros basta para evitar un posíbel biscotto ante a posibilidade de que se imbúan do espírito dos magiares poderosos de Puskás e dean a sorpresa derrotando á Alemaña do crepuscular Joaquim Löw. |
NOS_37030 | A líder de Unidas Podemos dentro do Executivo do Estado, que logrou manter todos os ministerios que ostenta o partido intactos, afirmou que "o futuro escríbese coa forza das mulleres, das persoas traballadoras e profesionais que cada día fannos crecer, sobre as ás das ideas e da diversidade". | A galega Yolanda Díaz pode estar en hora boa após a profunda remodelación do Goberno español anunciada este sábado polo presidente, Pedro Sánchez. A líder de Unidas Podemos dentro do Executivo de coalición non só conseguiu ascender un posto na estrutura, senón que mantivo a mesma cota de ministerios e as mesmas caras que xa tiña o seu partido. Medios como RTVE aludiron a unha negociación de varios días entre Sánchez e Díaz para chegar ao acordo de que nada mudaría para Unidas Podemos. A última remodelación tocara de cheo á propia ministra de Traballo coa marcha do que fora o seu xefe de filas Pablo Iglesias. Desta forma, manteñen as súas carteiras ela mesma; a ministra de Igualdade, Irene Montero; a súa homóloga en Dereitos Sociais, Ione Belarra; o ministro de Universidades, Manuel Castells; e o titular de Consumo, Alberto Garzón, malia que algunhas quinielas falaban da súa saída. Após coñecerse publicamente as mudanzas no seo de sete ministerios, a política galega falou dun cambio no que está en disposición de "fortalecer" o pacto de goberno co PSOE. "Este novo tempo empurra a pensar ao grande", engadiu, a través dunha reflexión que deixou nas súas redes sociais. A vicepresidenta segunda a partir da toma de posesión da segunda feira -de momento é terceira- sinalou que "os retos da recuperación xusta, a transición ecolóxica, o avance en igualdade e de horizontes de futuro para a mocidade deben ser o corazón do novo goberno". Así mesmo, desde o seu punto de vista, "o futuro escríbese coa forza das mulleres, das persoas traballadoras e profesionais que cada día fannos crecer, sobre as ás das ideas e da diversidade". Con "intelixencia e dedicación" pretende "fortalecer o proxecto que recibiu a confianza da cidadanía en 2019". "Este Goberno segue comprometido cos grandes retos do acordo de coalición e temos que estar á altura das expectativas da xente do noso país", resumiu. |
NOS_31444 | Nas últimas 24 horas hai 350 novos infectados e fixéronse 4.343 probas, unhas 3.400 menos que hai catro días. | Descenso de contaxios. A cifra continúa a ser elevada (350 nas últimas 24 horas, segundo o reconto da mañá desta terza feira) mais é menor que a rexistrada nos días anteriores. Á espera da evolución ao longo desta semana, as probas de PCR procesadas esta terza feira foron 40% menos que as da sexta feira, 6 de novembro. Nesa xornada procesáronse 7.976 PCR e a cifra de contaxios foi, loxicamente, superior á do domingo (685), á da segunda (395) e á da terza (350), cando o número de probas foi minguando. O 5 de novembro as PCR foran case 7.900 e os novos contaxios foron superiores aos 730. Menos PCR, logo, e menos datos de contaxios. Unha correlación lóxica que constata a análise dos datos. A cuarta feira da pasada semana, 4 de novembro, procesáronse 7.474 probas, xornada na que houbo 626 novos contaxios constatados. A pasada sexta feira, 30 de outubro, foron máis de 10.000 (en concreto, 10.234) e houbo 755 novos positivos. Porén, e durante estas semanas, a tendencia foi que sábado, domingo e inicios de semana facíanse menos PCR que a partir da cuarta feira, cando o número vai en aumento até a sexta feira. Desde finais de outubro, de todas as mostras tomadas por volta de 7-8% deixa un resultado positivo. Isto é que está 3 puntos por riba do límite que a OMS recomenda non pasar. A Organización Mundial da Saúde sitúa en 5% de PCR positivas o límite a non pasar para ter controlada a pandemia. Presión hospitalaria Por outra parte, os pacientes con Covid-19 ingresados en hospitais da Galiza aumentaron en catro até os 609, deles 95 permanecen na Unidade de Coidados Intensivos -un máis que onte-. |
PRAZA_8500 | Defenden que a bici se "encadra á perfección no modelo de cidade moderna orientada cara as persoas e a súa calidade de vida" e cren que a obrigatoriedade do casco tamén dentro das cidades "conlevaría unha redución importante dos desprazamentos" | O 19 de Abril celébrase o día mundial da bicicleta, efeméride que administracións, asociacións e os propios ciclousuarios aproveitan para recordar as vantaxes inherentes á utilización deste medio de transporte. Tamén as Masas Críticas galegas conmemorarán esta data. Será este mesmo sábado a través de tres concentracións ciclistas reivindicativas en Vigo, Compostela e A Coruña. Ademais dos obxectivos habituais destas concentracións, centradas na posta en valor deste medio de transporte e na demanda de normas e melloras nos trazados urbanos que faciliten o seu uso, nesta ocasión o foco tamén se pon nas reformas do Regulamento de Circulación, coma a obrigatoriedade do uso do casco na bicicleta, que dende hai meses vén anunciando o Ministerio do Interior, e que hai uns días foron plasmadas nun borrador de decreto de reforma presentado pola Dirección Xeral de Tráfico. A obrigatoriedade do casco en bicicleta tamén dentro das cidades "non só é unha medida de seguridade desproporcionada e meramente pasiva, senón que conlevaría unha redución importante dos desprazamentos en bicicleta" Estes colectivos afirman que estas reformas "suporían unha gran perda de dereitos que de forma colectiva, cotián e práctica fomos multiplicando entre todas nos últimos anos. Habería un marco legal máis permisivo co acoso ás ciclistas por parte de automobilistas e administracións, e marcadamente desincentivador do seu uso, o que non faría senón aumentar os riscos de padecer accidentes, lesións e a morte". Engaden que a obrigatoriedade do casco en bicicleta tamén dentro das cidades "non só é unha medida de seguridade desproporcionada e meramente pasiva, senón que conlevaría unha redución importante dos desprazamentos en bicicleta". E lembran que Australia, o único país no mundo que implantou seriamente tal medida, viu como estes desprazamentos caían entre un 30 e un 40% sen que a porcentaxe de lesións e mortalidade se reducise, o único que se incrementou de maneira significativa foron as multas. Diversas cidades e mesmo a Rede de cidades pola bicicleta, á que pertencen concellos como Barcelona ou Sevilla nas que a implantación da bici como medio de transporte ten sido todo un éxito, xa se opuxeron a esta medida e solicitaron que a DGT revisara o borrador. As Masas Críticas galegas defenden que a bici se "encadra á perfección no modelo de cidade moderna orientada cara as persoas e a súa calidade de vida" As Masas Críticas galegas defenden que a bici se "encadra á perfección no modelo de cidade moderna orientada cara as persoas e a súa calidade de vida. Devolver a cidade aos cidadáns supón necesariamente un cambio na ordenación da mobilidade e a bici preséntase como a alternativa máis eficiente e respectuosa co entorno ambiental e social". Por ese motivo convidan "todas aquelas persoas que acreditan no potencial da bicicleta" a "transformar as cidades en lugares máis agradábeis". Horarios A Coruña. Praza de María Pita. 18:00 Compostela. Praza Roxa. 18:00 Vigo. Praza América. 17:00 |
NOS_30911 | Este equipo coordinarase "estreitamente" coa OTAN, que tamén puxo en marcha unha iniciativa de cooperación entre os seus membros. | A UE anunciou nesta cuarta feira, 15 de abril, o lanzamento do equipo de traballo que brindará apoio aos Estados membros para cooperar en accións militares entre os 27 para facer fronte á pandemia. Igualmente, este equipo coordinarase "estreitamente" coa OTAN, que tamén puxo en marcha unha iniciativa de cooperación entre os seus membros. NATO Defence ministers about to start their secure VTC, with #EU HR @JosepBorrellF and 🇫🇮 🇸🇪 ministers. Important to highlight :➡️ solidarity against #COVID, in coordination with #EU➡️ #NATO's posture against security threats remains robust. pic.twitter.com/sKHFxYNXu4— La France à l'OTAN (@FranceOTAN) April 15, 2020 O grupo estará xestionado polo Servizo de Acción Exterior da UE que dirixe o Alto Representante para Política Exterior, Josep Borrell. O obxectivo, segundo informaron, é o "intercambio de información relativa á asistencia militar" na crise do coronavirus, "comunicación estratéxica sobre as contribucións que fan as Forzas Armadas" dos países da UE na loita contra a pandemia, e "detección de ameazas para a seguridade" provocadas pola pandemia. |
NOS_51531 | Con 879,9 euros son 153,4 euros inferiores á pensión media estatal. | As pensións galegas seguen un mes máis como as segundas máis baixas do Estado español, só por riba das de Estremadura. Segundo os datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións publicados hoxe, a pensión media situouse en maio nos 878,9 euros na Galiza, o que supón oito céntimos máis respecto ao dato do mes de abril e un 2,73% máis se se compara cos datos do mesmo mes de 2020. Este avance interanual foi lixeiramente superior ao rexistrado na media de territorios do Estado español (2,2%). Con todo, o importe medio das pensións galegas aínda está moi lonxe de equipararse coa media estatal, que se situou nos 1.032,3 euros, o que supón unha diferenza de 153,4 euros. E de comparala coas máis altas, as de Euskadi (1.281 euros), as persoas pensionistas vascas cobran de media 45% máis que as galegas. Segundo o economista e sindicalista Xabier Pérez Davila, a situación das pensións na Galiza está "cronificada", xa que os salarios galegos tamén figuran entre os máis baixos do Estado español. "Se os salarios son baixos, as pensións futuras, na medida en que se calculan sobre a base de cotización que depende do salario, continuarán a ser as máis baixas", indica. "Se queremos que as pensións galegas non queden por baixo da media estatal, o que precisamos é a creación de emprego de calidade e tamén outra política económica", argumenta. Neste senso, explica a Nós Diario que para saír desta "senda de devalo" precisamos unha política económica activa por parte das Administracións, con políticas públicas de investimento en actividades produtivas de bens e servizos "social e ecoloxicamente útiles para crear postos de traballo de calidade e fixar poboación", dous eixos nos que, segundo Pérez Davila, Feixoo "non ten de que gabarse" en vista ao que pasou coa demografía galega desde que goberna o PP e co peso da economía galega no Estado español. Medran as pensionistas A realidade é que a 1 de maio Galiza tiña 765.291 pensionistas, o que supón preto de 1.800 máis que un ano antes. Por tipoloxía, as máis numerosas foron as pensións de xubilación, con 480.269 persoas beneficiarias, que tamén son as segundas máis baixas do Estado español após as de Estremadura, mais neste caso a diferenza coa media de territorios elévase até os 185 euros. As pensións de xubilación galegas son 185 euros inferiores á media estatal As persoas xubiladas galegas cobraron en maio 1.001,91 euros, fronte aos 1.187,8 euros da media estatal, e 456 euros por debaixo das que perciben os e as xubiladas de Euskadi (1.457,69), que neste capítulo tamén presentan a cifra máis alta entre territorios. Xunto a elas, 69.949 persoas percibiron unha pensión por incapacidade permanente na Galiza, que, de media, ascendeu a 901,7 euros. Tamén 185.527 persoas percibiron unha pensión por viuvez, cuxa contía se sitúa de media nos 623,79 euros; e 23.501, unha prestación por orfandade, que quedou en 410,3 euros de media. Así mesmo, contabilizáronse un total de 6.675 persoas que percibiron unha prestación en favor de familiares na Galiza, cun importe medio que ascendeu a 534,3 euros. |
PRAZA_3428 | As vítimas concéntranse ante o Congreso durante unha comparecencia do ministro Ábalos esixíndolle que faga cumprir a reclamación comunitaria | As vítimas concéntranse ante o Congreso durante unha comparecencia do ministro Ábalos esixíndolle que faga cumprir a reclamación comunitariaEn xullo de 2016 a Axencia Ferroviaria Europea emitiu un informe no que considerou que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) española non era independente e realizara unha análise incorrecta do accidente de Angrois ao atribuílo en exclusiva ao despiste do maquinista. Desde aquela a Comisión Europea vén pedindo a España que realice unha nova investigación técnica cumprindo cos requisitos europeos, pero a CIAF, agora xa independente do Ministerio de Transportes, negouse en varias ocasións e segue a negarse, como vén de evidenciar o BNG a través dunha pregunta ao Goberno. Este mesmo mércores vítimas do accidente concentráronse ante o Congreso, durante unha comparecencia do ministro Ábalos, para reclamar que España cumpra coa esixencia comunitaria.A CIAF non era independente do daquela Ministerio de Fomento cando en 2014, un ano despois do accidente de Angrois, emitiu o seu informe. De feito, o seu daquela responsable chegou a culpar á ministra Ana Pastor, para rectificar ás poucas horas, de impedirlle reabrir a investigación cando a UE considerou que fora mal realizada.Pero en 2015 o Goberno modificou a lei e agora a CIAF xa é considerada independente, como concorda tamén a UE. Iso impide que o Goberno lle poida dar a orde de reabrir a investigación e analizar as cuestións que a Axencia Ferroviaria Europea consideraba que non se estudaran, entre elas se Adif analizara correctamente os riscos da curva de Angrois, cuestión pola que na causa xudicial está imputado tamén un cargo desa empresa pública xunto co maquinista. Ademais, a UE ten aberta unha investigación contra España por como avalía os riscos ferroviarios en xeral."O informe elaborado realiza unha análise pormenorizada, correcta e independente do accidente", teima a CIAF nunha resposta ao BNG fronte ao que considera a UENeste contexto, o BNG vén de recibir unha reposta parlamentaria do Ministerio de Transportes na que este lle traslada a resposta que ao respecto lle dá a CIAF, que teima na súa postura: "A CIAF considerou que o informe elaborado realiza unha análise pormenorizada, correcta e independente do accidente", di, en contra do que considera a UE. E engade que, malia iso, "está estudando a posibilidade de realizar algunha actuación ou análise adicional ao informe, que, sen poñer en cuestión o realizado, afonde e/ou aclare as dúbidas que se suscitaron". Porén, a CIAF vén aludindo desde cando menos outubro de 2018 á posibilidade de facer esa "análise adicional", que non reabrir a investigación, sen que ata o momento se concretase.O Ministerio de Transportes asegura que non pode cesar os membros da CIAF, pero as vítimas consideran que si porque estarían a realizar "unha grave deixación de funcións" ao non cumprir a normativa europeaNa súa resposta, o Ministerio de Transportes asegura que non pode obrigar á CIAF a realizar novas análises se ese organismo se nega, e que tampouco pode cesar aos seus membros por iso. Porén, a Plataforma de Vítimas de Angrois discrepa e considera que os membros da CIAF non están a cumprir coa súa obriga ao negarse a atender a petición da UE, polo que cren que o Goberno si podería cesalos. Para reclamar iso, os afectados concentráronse este mércores ante o Congreso dos Deputados durante unha comparecencia do ministro Ábalos. Nela, o titular de Transportes subliñou que os plans do seu Ministerio pasan por "transformar" a CIAF e as demais comisións técnicas de investigación de accidentes -marítimos e aéreos- nun único ente con "maior independencia" e tamén "maiores recursos, para que teña esa independencia".Mentres isto non sucede, a Plataforma de Vítimas subliña que "os membros da CIAF están realizando unha grave deixación de funcións e faltan ao obrigado cumprimento da Directiva Europea de Seguridade Ferroviaria". "A lei do sector ferroviario -resaltan- permite ao señor Ábalos cesar aos membros da CIAF e crear unha nova investigación técnica independente" que dea respostas técnicas ao sinistro como esixe a UE máis alá das xudiciais que se están a analizar no xulgado de Santiago. |
NOS_7364 | O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, e o responsábel de Enerxía da CIG-Industria, Fernando Branco, reuníronse cos grupos parlamentares para coñecer a súa disposición a defender unha iniciativa apoiada por 18.000 sinaturas. | O pleno do pasado 26 de xaneiro aprobaba por unanimidade admitir a trámite a ILP impulsada pola CIG e avalada por 18.000 sinaturas a prol dunha tarifa eléctrica galega. O PP enviou unha comunicación á Mesa do Parlamento pedindo que non se abrira o proceso de emendas mentres non se contara con informes dos servizos xurídicos da Xunta e non se celebrara un proceso previo de comparecencias. Temendo que isto poidese ser una "manobra dilatoria" por parte do PP para retrasar a tramitación da ILP, a CIG solicitou xuntanzas cos grupos parlamentares. Nas reunións (BNG, AGE, PSdeG e Grupo mixto) todos os representantes partillaron que esta ILP debería debaterse neste período de sesións. Tamén o PP, a través do seu portavoz parlamentar, estivo de acordo. Para iso concordaron coa CIG na necesidade de limitar no tempo o debate en Comisión e o número de comparecencias. Fernando Branco, asegurou que a CIG fará un seguimento para que se cumpran os obxectivos da ILP e que o contido da lei que finalmente se aprobe se corresponda co proposto, sen baleirarse ou rebaixarse. |
NOS_45168 | Un informe ao que tivo acceso a Cadena Ser ve "improbábel" que ese desvío de fondos públicos se realizase "sen concurso ou coñecemento" das catro empresas. | A construtora San José e outras tres grandes adxudicatarias (Acciona Infraestructuras SA, Dragados SA, Sacyr) fan parte do desvío de 17 millóns de euros de fondos públicos nas obras do AVE a Murcia. A investigación do grupo de delicuencia económica da Garda Civil, ao que tivo acceso a Cadena Ser, implica a empresa galega e as outras tres na engranaxe de desvío deses cartos a través dunhas obras de reposición hidráulicas que non se chegaron a facer e que, mantén o informe, se camuflaron con facturas falsas. A subcontrata, Obras Marimar, e un executivo de ADIF non poderían por si propios realizar un desvío dunha cantidade tan grande de diñeiro sen a colaboración das catro grandes adxudicatarias, mantén este documento da Garda Civil do que informa a Cadena Ser. "Todas as manobras de desvío de fondos, dada a súa gran magnitude, era improbábel que poidesen realizarse sen o concurso ou coñecemento das adxudicatarias principais e das persoas responsábeis de ditas adxudicatarias relacionadas coas obras", explican no informe, de xullo pasado. O total de fondos liberados por ADIF ás adxudicatarias, sinala o informe, é de 62.225.000 euros. Deles, hai constancia policial de que un mínimo de 30.172.000 euros foron facturados pola empresa Obras Marimar, á que a Garda Civil sitúa no centro da trama. Os investigadores sospeitan que deses máis de 30 millóns, 17.638.754 euros foron facturados de forma ficticia por obras non realizadas. |
NOS_32250 | Esta vespa de orixe asiático comezou a súa expansión polo país en 2014 e o número de niños foi aumentando ano a ano até 2019. | O número de niños da vespa velutina descende na Galiza por primeira vez en cinco anos. Esta vespa de orixe asiático comezou a súa expansión polo país en 2014 e o número de niños foi aumentando ano a ano. Segundo datos da Xunta da Galiza, en 2019 reduciuse o número de niños de velutinas até os 22.023, fronte aos 26.169 que se atoparan no 2018. Isto supón unha reducción do 16% grazas, en parte, á colocación de trampas. Até o 2018 estas vespas asiáticas proliferaron na Galiza, mais nese ano xa comezaron a enlentecer o seu crecemento. É na primavera, na época de floración das plantas, cando é máis eficaz colocar trampas para as velutinas e intentar rematar cos seus asentamentos. A Consellaría de Medio Rural puxo ao dispor dos apicultores rexistrados material para frenar a proliferación de niños a principios de ano. Agora, aproveitando o confinamento pola crise do coronavirus, varios concellos lembran que estes días pódense colocar trampas nas hortas e nos xardíns das casas. Só se necesita unha botella de plástico e un líquido doce que atraia ás vespas velutinas. |
NOS_32743 | Arredor de 80 persoas afectadas pola fraude das preferentes péchanse no concello de Sanxenxo para exixiren "que nos devolvan o diñeiro". Arestora son tres os concellos tomados polas persoas afectadas ademais da folga de fame que se desenvolve en ferrolterra. | A plataforma de afectad@s polas participacións subordinadas e preferentes do Salnés, vén de se pechar esta quinta feira no pleno do concello de Sanxenxo para exixir "á alcaldesa da vila, Catalina González Bea, xunto coas demais alcaldías da comarca e a deputación que nós defenda e poña fin a este asunto", asegurou en declaracións a Sermos Galiza, José Manuel, unha das persoas afectadas. O goberno español exixe unha quita do 50% e a devolución do capital restante en forma de accións Malia que a policía lles tentou impedir a entrada, finalmente as oitenta persoas que integran a plataforma do Salnés conseguiron entrar no consistorio e que González Bea deixe as súas vacacións para se reunir coas persoas estafadas a primeira hora desta tarde. "A alcaldesa amosou o seu apoio á nosa causa", aseverou José Manuel quen amosa a súa rabia en cada palabra. As últimas novas publicadas arredor da proposta presentada polo goberno español, que obrigará @s afectad@s a aceptaren unha quita do 50% do diñeiro e devolverá en forma de accións o restante capital, esperta a tensión entre as persoas defraudadas. "Nós non somos investidores, somos aforradores", sentencia José Manuel, "polo que non queremos oír falar de quitas". Aliás, as palabras pronunciadas polo presidente da Xunta de Galiza quen demandou un tratamento diferenciado para os investidores afectados á fin de que non perdesen o seu diñeiro, xerou un profundo malestar entre @s membros das plataformas cidadás. "Xa que o presidente pide apoio para os investidores, para nós non vai haber un tratamento especial?", preguntábase ás portas do concello de Sanxenxo José Manuel. A partir de agora, a plataforma do Salnés iniciará unha primeira serie de quendas para manter o peche no consistorio e asegura "non marcharemos até que nos devolvan os cartos". |
PRAZA_13849 | A central nacionalista aposta por convocala xa para finais de setembro, pero as organizacións estatais prefiren agardar. No entanto, as tres asumen que o paro será inevitable se o Goberno non recúa e manteñen a colaboración amosada nas últimas manifestacións. | Non houbo acordo na convocatoria de folga xeral. Os secretarios xerais de CIG, CCOO e UGT, xunto cos secretarios de organización das centrais estatais, reuníronse este xoves para analizar a situación económica e a diminución de dereitos laborais e sociais, así como para debater a posibilidade de convocar un paro total o máis cedo posible. Mentres a central nacionalista defendeu a proposta de convocar a folga xeral xa no mes de setembro, concretamente o 26 ou 27, CCOO e UGT manifestaron que preferían agardar, tal e como asegura a CIG nun comunicado. No entanto, as tres organizacións sindicais acordaron reunirse de novo a principios do mesmo setembro "para revisar a situación". "Parecíanos que era o momento de anunciar esa convocatoria de folga xeral e traballar nesa perspectiva. Eles son partidarios de agardar", sinalou Suso Seixo, secretario xeral da CIG, que advertiu tamén de que os tres sindicatos "concordaron en que as medidas do Executivo supoñen un grande retroceso nos dereitos sociais, económicos e mesmo políticos, polo que require unha resposta importante de todo o movemento sindical". "Debemos intentar implicar tamén o maior número de organizacións sociais posíbel para que sexa unha resposta moi global de toda a sociedade", engade. CCOO e UGT apoiarán a folga xeral se o Goberno non convoca un referendo sobre as medidas de axuste Así, Seixo explicou que CCOO e UGT "están máis centrados na campaña de exixir un referendo" e que apoiarían a convocatoria de folga xeral "se efectivamente o Goberno non o convoca". O que si se acordou foi unha nova xuntanza a principios de setembro para valorar o escenario e intentar fixar, en función diso, unha data para a convocatoria de folga xeral. "Nós temos o firme convencemento, e eles coido que tamén, de que o Executivo non vai convocar ese referendo", di o líder da CIG, polo que o paro podería atrasarse tan só un tempo. De feito, Seixo indicou que a central sindical valoraría a proposta de CCOO e UGT, entendendo que "non tería ningún sentido convocar dúas folgas xerais en Galiza con pouca diferenza de días". Porén, afirmou que "non tería sentido agardar dous ou tres meses para facela porque as circunstancias sociais e económicas son tan duras que a resposta de folga xeral ten que estar aí". A CIG podería esperar por CCOO e UGT para convocar unha folga xeral, pero "non dous ou tres meses" Ademais, a CIG abriu un chisco máis a porta de cara a unha futura unidade de acción sindical como a que se viviu nas pasadas manifestacións do 19 de xullo. Para Suso Seixo, os posicionamentos de CCOO e UGT "abren unha perspectiva de traballo que até o de agora non había, por mor das políticas de concertación social ás que a CIG se opoñía, ao entenderen que ían en contra da clase traballadora". "Esas mesas de concertación e diálogo social hoxe non existen, non están funcionado, o que permite pornos de acordo e irmos traballar de cara a primeiros de setembro para acordar unha data de folga xeral e non só dunha. Nós tamén propuxemos que de aquí a final de ano, se o Goberno non muda estas políticas e as institucións europeas seguen defendéndoas, deberiamos anunciar outra folga xeral como referencia de aquí a final de ano". |
NOS_5429 | O porto canadense da cidade de Saint John podería recibir esta sexta feira os tres mariñeiros sobreviventes do naufraxio do Vila de Pitanxo e os 10 corpos recuperados no mar dos seus compañeiros mortos. Mentres comezan os trámites para a súa repatriación, continúan as dúbidas sobre a causa do sinistro. | A chegada dunha das embarcacións con tres sobreviventes e 9 cadáveres do Vila de Pitanxo ao porto de Saint John agárdase para as 11 da mañá desta sexta feira. Tres rescatados e sete mortos son conducidos a terra no barco cangués Praia Menduíña 2, mentres os outros dous falecidos navegan no buque canadense Nexus. O porto de Saint John é un vello coñecido dos mariñeiros galegos. Situado no Estado canadense de Novo Brunswick é unha referencia para todos aqueles barcos e tripulacións que faenan nos caladoiros da Organización de Pesqueiras do Atlántico Noroeste (NAFO), unha área situada na parte exterior dos grandes bancos de Terranova e fóra da zona económica exclusiva do Canadá. A totalidade das embarcacións de bandeira española presentes na zona son galegas. Mentres 12 delas teñen o seu porto base nas localidades de Cangas do Morrazo, Marín e Vigo, outras seis sitúanse noutros puntos do Estado, malia seren propiedade de armadores galegos. Precisamente nestas augas, onde os mariñeiros galegos levan pescando desde o século XVI, viviuse en 1996 o coñecido como conflito do fletán. As condicións de traballo neste caladoiro son moi duras. Segundo sinalan a Nós Diario persoas coñecedoras da zona, "o mar é moi bravo e as ondas non teñen nada que ver coas das nosas costas. De feito, o normal é traballar con ondas moi grandes sempre batendo contra o casco da embarcación e nunha área de moi pouca visibilidade pola profunda néboa". Na mesma liña, indican que "os mariñeiros desta zona carecen de convenio colectivo" e a súa situación laboral é "precaria". A situación meteorolóxica adversa é o argumento empregado polas autoridades canadenses para suspender os labores de rescate. A decisión, avalada polo Goberno do Estado mereceu a resposta do Executivo galego, do BNG e das familias dos mariñeiros desaparecidos. O presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, demandou esta quinta feira voltar ás "tarefas de busca". "Onte [pola cuarta feira] tiñamos o anuncio de que se podían retomar nas próximas 24 horas e esta mañá trasladámoslle ao Goberno o noso interese de que se retomen cando menos no día de hoxe, e espero que as autoridades canadenses nos dean unha resposta positiva". A este respecto, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expresou: "Queremos que non quede dúbida ningunha de que se fixo todo o posíbel por esas persoas, sabendo o importante que é para as familias recuperar os corpos para despedir os seus familiares". María José Dopazo, filla de Francisco Dopazo, un dos tripulantes do barco non localizado, aseverou onte que "xa sabemos que están mortos, pero esas 12 persoas non merecen o abandono". "Non notamos nin cooperación, nin axuda, nin amparo. Queremos que se poñan os medios que ten España. Se Canadá non quere pór medios, España ten medios suficientes na zona", asegura Dopazo. O presidente da Asociación de Peruanos da Galiza, Pedro Arana, sinalou que "esperabamos máis sensibilidade do Goberno do Canadá. E tamén dos Estados Unidos, que son os países que están máis perto" e reclamou axudas para as familias dos mortos e desaparecidos. Mariñeiros de Marín consultados por Nós Diario amosan a súa preocupación pola situación na que poden quedar as familias dos mortos de nacionalidade peruana ou ganesa. "Hai que mirar polo futuro desas familias e garantir para eles os mesmos dereitos que para as familias galegas", destacan, mentres poñen o foco "na necesidade do recoñecemento legal da viuvez e da orfandade, para as mulleres e orfos". Investigación As familias urxen, tamén, o Estado español a pór en marcha a investigación para determinar a causa do sinistro. Nesta dirección, o Ministerio de Transportes anunciou esta quinta feira a constitución da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (Ciaim) para comezar coas pescudas e recoller información sobre o naufraxio. "Hai diversas hipóteses sobre a causa do naufraxio", comentan a Nós Diario desde Salvamento Marítimo, "mais é demasiado cedo para sacar conclusións e descartar calquera posibilidade". "Só sabemos que foi moi rápido", afirman estas fontes, quen lembran que "ao patrón só lle deu tempo de pulsar o botón da chamada selectiva dixital que vai ao satélite e de aí ao centro de salvamento. O segundo sinal foi a radiobaliza, que salta un pouco despois de afundimento. Porén, xa non lle deu tempo a facer a chamada de socorro pola canle 16 VHF" |
PRAZA_7111 | O filme foi visto xa por máis de 20 mil persoas. Falamos co seu director sobre as razóns do éxito da película e o camiño que aínda ten por diante. Todo, no día no que en Ourense se celebrou un acto polo 35 cabodano de Blanco Amor. | Todo comeza por Eduardo Blanco Amor. Este luns celebráronse no cemiterio de San Francisco, en Ourense, os actos do 35 cabodano do autor, soterrado nese camposanto. O Pen Clube organizou un acto literario, ao que asistiron representantes da Consellaría de Cultura, da Real Academia Galega, da Deputación e mais da Editorial Galaxia, e no que interviu, entre outros, Siro López, que falou do humor en Blanco Amor. A de hoxe era, ademais, a décima ocasión consecutiva na que se repetía esta homenaxe, iniciada por Marcos Valcárcel en 2004. Alí localizamos a Ignacio Vilar, que descansaba por unhas horas do traballo de promoción de A Esmorga, que segue acadando unhas cifras de taquilla que todos cualifican de espectacular. En só dez días, con 18 copias exhibidas unicamente en Galicia, a película supera xa os 20 mil espectadores, sendo unha das dez máis vistas en todo o Estado e acadando a segunda mellor recadación por copia. Por cidades, Vigo encabeza a lista de espectadores totais dende o pasado venres con 4.155 espectadores, seguida pola Coruña con 3.265, Santiago de Compostela con 3.171 e Ourense con 3.036. E semella que o camiño de A Esmorga non fixo máis que comezar: o filme non só non cae do cartel en ningún cine, senón que mesmo nalgúns, coma en Santiago, pasa a ser proxectado na sala máis grande das Cancelas, con 500 butacas. "Todo se resolve na primeira fin de semana" -explica Ignacio Vilar- "tes que facer unha promoción moi grande, e así podes encher as salas a primeira fin de semana. Pero como a película non guste, caes en picado na segunda fin de semana. Aquí está pasando o contrario. Seguimos enchendo todas as salas despois de dez días". "Que unha película galega e rodada en galego sexa a segunda con máis recadación por copia é algo espectacular. En Madrid e Barcelona están alucinando co que está pasando", destaca Vilar. "De súpeto descubrimos e descubrímonos que podemos estar contando as nosas propias historias e competindo coas mellores cinematografías do mundo" Cal é o segredo do éxito de A Esmorga? Para Ignacio Vilar, a clave é que "a película toca, chega, emociona. E o máis importante: a xente sae orgullosa de ver a película, os galegos e galegas saen orgullosas desta película". "De súpeto descubrimos e descubrímonos que podemos estar contando as nosas propias historias e competindo coas mellores cinematografías do mundo, sendo o filme máis visto", di. "Esta película é de todos os galegos e galegas. É un filme de nós", engade. Unha das dificultades do filme: o feito de ser unha adaptación dunha obre moi coñecida, moi popular, converteuse para Ignacio Vilar nun dos seus maiores valores. "A maior parte dos galegos e galegas leron a novela e ti cando les un libro, imaxinas unha película na túa cabeza. Eu pensaba: A miña película vai estar á altura do que imaxinou cada galego ou galega? E eu creo que si, que estamos en sintonía total coa película imaxinada. Cada espectador, cando ve a película faina súa" explica. "Eu pensaba: A miña película vai estar á altura do que imaxinou cada galego ou galega? E eu creo que si, que estamos en sintonía total coa película imaxinada" Precisamente neste mes de novembro no que se estreou A Esmorga conmemorouse o 25 aniversario de Sempre Xonxa, Urxa e Finisterre, momentos iniciáticos do cinema galego. As ligazóns estéticas a Chano Piñeiro e a Sempre Xonxa nalgúns momento de A Esmorga son claras, algo que non debe estrañar tendo en conta a admiración nunca ocultada que Vilar sentiu e sente por Piñeiro (comezando polo documental Sempre Xonxa en Petín, que dirixiu en 2005). "Hai moito de cinema galego no filme, moito Chano Piñeiro, unha imaxe remite a outra", recoñece Ignacio Vilar, que destaca que "Chano Piñeiro é o referente máis grande, é o que nos abriu o camiño. Estes vinte anos sen el terían sido moi diferentes e non tería xurdido A Esmorga". "Neste camiño logramos formar profesionais, técnicos, actores..., grazas ás escolas de imaxe e son, ao traballo de Manolo González, ás curtas dos 90. Todo o equipo técnico saíu desas curtas que faciamos nos 90", di. "O cine é o traballo colectivo dun país e A Esmorga ten que ver con iso", conclúe. "O cine é o traballo colectivo dun país e A Esmorga ten que ver con iso" E que camiño lle queda por diante ao filme? Pois un longo camiño, parece ser. De momento, continuará nas salas comerciais galegas con estas 18 copias. Xa nos primeiros meses de 2015 será o momento de ser estreada no resto de España, e semella que o fará con certa forza. "Sempre dixemos isto: se os galegos e galegas enchían as salas iamos proxectar A Esmorga polos cines de toda España e por todo o mundo. O éxito en Galicia estanos abrindo portas. Xa nos están chamando para proxectar fóra de Galicia, xa estamos negociando", afirma Ignacio Vilar. Para máis adiante quedarán outros soños: os Premios Goya, por exemplo. Ou o obxectivo de que o filme se proxecte e se vexa por toda Galicia, fóra das cidades e das principais vilas. |
NOS_22222 | Guadi Galego (Cedeira, 1974) participará no acto de presentación do número cero do diario e o seu suplemento, que terá lugar no marco do Culturgal. Sermos Galiza S.A. dá a coñecer as características do novo medio, que se publicará de maneira regular a partir do 2 de xaneiro | Conta atrás para coñecer o novo medio que levará o galego aos quiosques de terzas feiras a sábados. A presentación do número cero de Nós Diario e do seu suplemento, Sermos Galiza, terá lugar na feira das industrias culturais, que decorrerá do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. No acto que acollerá o Espazo Foro do Culturgal ás 13 horas do sábado participarán, alén o presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza, Xoán Costa, e da directora de Sermos Galiza e de Nós Diario, María Obelleiro, a música Guadi Galego. A artista de Cedeira, que vén de ser recoñecida co premio á promoción da Realidade Plurilingüe no Estado español, fai un alto no camiño que a leva a presentar o seu último traballo discográfico, Immersión, por todo o país, para acompañar o número cero do novo medio. Guadi Galego forma parte, ademais, do grupo impulsor de Nós Diario. Nós Diario contará cunha redacción integrada capaz de producir contidos para o diario en papel e para o diario dixital e as redes sociais Da man de Nós Diario, Sermos Galiza S.A. volve estar presente máis un ano no grande escaparate da cultura galega. Na súa caseta poderán recollerse, de balde, exemplares do número cero tanto do diario en papel (que consta de 32 páxinas a cor) como do suplemento de fin de semana (tamén de 32 páxinas a cor) que acompañará a Nós Diario os sábados e que herda o nome do seu precursor, o semanario Sermos Galiza. Ambas as dúas publicacións foron deseñadas por un dos máis importantes grafistas da nación, Pepe Barro. Saída á rúa o 2 de xaneiro Nós Diario venderase nos quiosques e chegará á casa das subscritoras e subscritores a partir do 2 de xaneiro de 2020, de terzas feiras a sábados. A partir do 2 de xaneiro tamén se editará os 365 días do ano o diario dixital nosdiario.gal, cuxo deseño está a ultimarse. Precisamente, a redacción de Nós Diario vén de se formar en Search Engine Optimization (SEO), é dicir, nas novas técnicas de optimización en motores de busca, hoxe fundamentais no xornalismo dixital. Cristina Franco, xefa de formación SEO/Marketing na empresa ourensá Openhost, xefa de proxectos e consultora experta de comunicación, e David Martínez, director executivo de Openhost, xestor no departamento de publicidade e responsábel da estratexia de negocio, explicaron como conseguir que os contidos de Nós Diario obteñan as mellores clasificacións nos resultados das buscas na Internet. «Concibimos a formación como un dereito e tamén como un deber sen que iso supoña cargar a responsabilidade ás traballadoras e traballadores, entendemos que é unha obriga nosa que os cursos se realicen sen que ocupe o seu tempo de lecer», explica Xoán Costa, presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. Costa sinala que a aposta da empresa polo papel favorecerá o diario dixital, «sempre dixemos que o diario en papel era un instrumento para reforzar o noso diario dixital». «Como empresa, temos o obxectivo de contar cun persoal ben formado nas tecnoloxías coas que imos competir cos demais. E unha delas é que a nosa información logre unha boa posición nos motores de busca e nas redes sociais», engade Costa, que informa de que nas próximas semanas Sermos Galiza S.A. esforzarase en formar a redacción en maquetación e deseño e en conseguir unha mellor competencia lingüística. Nas últimas semanas, as traballadoras e traballadores de Nós Diario aprenderon a manexar as ferramentas do xestor de contidos do diario dixital e comezaron a desenvolver as primeiras probas que precederon o número cero que agora vai ver a luz. Nas próximas semanas, até a saída periódica do diario en papel, a redacción, que botou a andar o 1 de outubro deste 2019 dirixida por María Obelleiro e por Xesús Manuel Piñeiro, como subdirector, continuará pechando as melloras tanto no diario en papel como no diario dixital. Sinerxías papel‑dixital Sermos Galiza S.A. salienta as sinerxías entre os dous soportes en que verá a luz Nós Diario. O futuro da industria da comunicación, que vive en permanente mudanza e evolución, pasa necesariamente polo concepto multiplataforma, é dicir, por aproveitar tanto o soporte dixital como o papel. A axilidade, a accesibilidade e os recursos da linguaxe multimedia complementaranse coa forza do papel, que recollerá a análise e a profundidade dos grandes temas. Desta maneira cubriranse as necesidades informativas das lectoras e lectores. Neste sentido, Sermos Galiza S.A. aposta nunha redacción integrada capaz de producir contidos tanto para o diario en papel como para o diario dixital e as redes sociais. Todo isto nun mesmo fluxo de traballo e dunha maneira sinxela e eficaz. O diario dixital O novo medio contará cun diario dixital que se caracterizará por un deseño sinxelo no que predominan a cor azul, branca e a negra, as mesmas da cabeceira ideada por Pepe Barro. A organización da información, coa súa categorización, implicará un xornalismo máis cómodo e doado de ler. Será chave, neste sentido, a identificación rápida dos titulares e o uso dunha tipografía lexíbel e limpa, cómoda de ler en todos os soportes. «Sempre dixemos que o diario en papel era un instrumento para reforzar o noso diario dixital», afirma Xoán Costa O deseño de escritorio será adaptado ao coñecido como responsive ou adaptado, isto é, para todo tipo de pantallas, desde smartphones ou teléfonos móbiles intelixentes ás tablets. Consiste en redimensionar e situar os elementos da web de maneira que se adapten ao largo de cada dispositivo, permitindo unha visualización correcta e unha mellor experiencia para a persoa usuaria. Este deseño evita os contidos duplicados e aumenta a viralidade dos contidos, xa que permite compartilos dunha maneira máis rápida e natural. A organización da información Nós Diario farase eco no soporte dixital e no de papel de temas actuais que os grandes medios de comunicación que operan na Galiza non adoitan recoller: a cultura galega, o traballo, a diáspora, a historia, os feminismos, a lingua, a memoria… todo un amplo abano de posibilidades que interesan a un público de pensamento aberto que non ve reflectidas as súas ideas de avance social na prensa convencional. A información organizarase nas seccións Galiza; Economía e Traballo; Internacional; Cultura e Axenda. Tamén en Opinión e En Foco, dous apartados que, no diario en papel, xorden como seccións de ruptura para favorecer unha lectura máis dinámica. Subscríbete por 60 céntimos ao día Bastante menos do que vale un café. Ese é o prezo da subscrición a Nós Diario, que ofrece múltiples posibilidades para facilitar o pagamento ás persoas asinantes. A subscrición representa un importante aforro a respecto da compra do diario día a día, cuxo prezo será de 1,50 euros de terzas a sextas feiras e de 3 euros o sábado, día en que acompaña o diario o suplemento de fin de semana. Desde 20 euros cada mes, ou, o que é o mesmo, por 60 céntimos ao día, podes facerte subscritora ou subscritor, ou mesmo agasallar cunha subscrición a quen desexes. Este sería o prezo da subscrición ao diario dixitalizado na nube. Nesta modalidade, alén facerse 12 pagamentos mensuais por un importe de 20 euros ao mes, tamén é posíbel pagar 57 euros ao trimestre, 108 euros ao semestre ou un pagamento anual de 204 euros, o que representaría 17 euros ao mes. En canto á versión en papel, que inclúe o acceso ao diario dixitalizado na nube, é posíbel facerse asinante por 27 euros ao mes; por 78 euros ao trimestre; por 150 euros ao semestre ou por 288 ao ano, o que suporía 24 euros ao mes. |
NOS_4948 | Galiza inaugura un novo curso en Infantil, Primaria e Educación Especial con 6.000 escolares menos nas aulas e mobilizacións nas rúas contra os recortes de aulas e profesorado que denuncian Anpas e sindicatos do ensino. | O terceiro curso escolar da pandemia bota a andar. E a Covid volve mandar no inicio. Esta vez con aulas que aspiran á presencialidade total, con máscara e distancia de seguridade, aínda que máis estreita que a do curso anterior. Tamén se manteñen os grupos burbulla, e todas as medidas de protección que estrearon os centros hai xusto un ano: hixiene, pantallas, ventilación, entradas e saídas progresivas. Iso si, a interacción nos recreos será maior entre grupos do mesmo nivel. Con distancia e máscara obrigatoria. Un paso cara a unha convivencia máis normal que tamén afectará ao uso dos espazos comúns. Salóns de actos, bibliotecas, ximnasios, laboratorios e outras estancias adaptadas o ano pasado para acoller o alumnado das aulas desdobradas volverán ao seu na maior parte dos centros. Esta quinta feira abren o novo curso escolar perto dun millar de escolas de Infantil, Primaria e Educación Especial. En concreto, 944 centros entre públicos, privados e concertados, informa a Consellaría de Educación. Non están entre os que retoman a actividade nin o CEIP Baamonde, de Begonte -integrado no CEIP Virxe do Corpiño- nin o CEIP Pino de Val, de Mazaricos -integrado no CPI Plurilingüe da Picota-. A Xunta anunciou no mes de xullo o feche definitivo destes dous colexios do rural. En agosto confirmou a supresión de 127 aulas nunha trintena de centros, unha perda importante de unidades, persoal docente e servizos educativos que nin os sindicatos nin as comunidades escolares ven xustificada na caída de estudantes. "A perda de alumnado é indiscutíbel, mais non xustifica o devalo de recursos", afirma o secretario nacional da CIG-Ensino a Nós Diario. Para Suso Bermello, un Goberno con outro perfil vería unha oportunidade para acometer todas as reformas pendentes e non só a ocasión de repercutir un aforro neste declive. 9.000 escolares menos Hoxe comezan as clases de Infantil, Primaria e Educación Especial para un total de 187.624 alumnas e alumnos, 9.180 menos dos que empezaron xusto antes da Covid. Son datos provisionais, que representan unha caída de 4.832 escolares a respecto do ano pasado, 3.363 deles en centros públicos. A perda para o sistema público a respecto do curso anterior á pandemia sitúase nuns 6.000 estudantes. Por niveis educativos, o alumnado cae sobre todo en Primaria e Infantil, e recupérase moi levemente en Educación Especial. Así, segundo estimacións da Xunta da Galiza, 55.698 escolares comezan este ano nas aulas de Educación Infantil, 3.829 menos que no curso 2019/20 e 2.356 menos que o curso pasado. As aulas de Educación Primaria da Galiza acollerán 130.774 alumnas e alumnos, 5.392 menos que hai dous anos e 2.482 menos que o último. Por último, no que atinxe á Educación Especial, o número estimado de escolares matriculados para este curso é de 1.152, 41 máis que antes da pandemia e seis máis que o curso 2020/21. No rural féchanse unidades con criterio economicista e non de servizo Malia o descenso de alumnado, salienta a Xunta da Galiza "mantéñense os cadros de profesorado por riba dos que había no curso 2019/20, atendendo as necesidades xeradas a partir da pandemia da Covid-19". En concreto, precisou osecretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vilas, na Comisión de Cultura e Educación do Parlamento, porá en marcha 164 unidades para asegurar os grupos burbulla en Infantil e Primaria e contratará máis de 220 docentes asociados a esas unidades. Unha afirmación que provoca a censura en bloque dos sindicatos. "A Consellaría leva meses traballando para evitar un incremento importante de profesorado sobre os cadros ordinarios", apunta Suso Bermello. Segundo di, o departamento de Román Rodríguez comezou en decembro de 2020 a dar os primeiros pasos para recuperar as ratios previas á pandemia. Primeiro encargou a medición dos espazos dispoñíbeis para tratar de reagrupar as unidades desdobradas durante este curso, "e xa no mes de maio Inspección Educativa pediu aos centros un estudo de como quedarían as aulas de se fixar unha distancia media entre cabezas de 1,2 metros". Con todo, a distancia de 1,2 metros que recolle o documento asinado polo Estado e os territorios para o novo curso, non é unha obriga, lembra o portavoz da CIG-Ensino. "De feito, hai quen avanzou que vai respectar o 1,5. Pero Galiza lanzouse ao 1,2 antes incluso de que se aprobase". Para o secretario de Política Educativa de CCOO, José Manuel Fuentes, a mingua da distancia interpersoal entre estudantes representa "o gran cambio" e "o cambio fundamental" a respecto do ano pasado. Presencialidade segura "Nós postamos por unha presencialidade segura no ensino non universitario. É posíbel, pero cunha distancia de 1,5 metros". Neste sentido discute os argumentos da Consellaría, que xustifica a rebaixa nun marco distinto, con 90% do profesorado vacinado e o alumnado de secundaria a piques de completar a súa pauta. "Ninguén sabe como vai evolucionar a Covid. Os grupos burbullas non son tal, e menos con aulas ateigas e os menores de 12 sen vacinar", comenta a este xornal. Desde CCOO reivindican a distancia de 1,5 por un dobre motivo: como medida de prevención fronte aos contaxios mais tamén como elemento chave para unha mellora da calidade educativa. O inicio de curso é unha volta á normalidade coa que levamos convivindo desde o ano 2008, a dos recortes Distancia, ratios e contratación de persoal son parte da mesma ecuación en plena pandemia. Por iso, desde UXT tamén rexeitan a rebaixa da distancia interpersoal. "Porque entendemos que se fai para non contratar profesorado, especialmente en secundaria", afirma Felipe Balboa. En declaracións a Nós Diario, critica as "frases baleiras" do conselleiro Román Rodríguez ao se comprometer a contratar os docentes que faga falta e a facer o que sexa necesario. "Iso é dicir nada". E tamén "unha oportunidade perdida", engade. "Estamos de acordo en que o espazo de aprendizaxe é algo básico, pero avogamos máis polo capital humano, polo profesorado. E o ano pasado o rendemento escolar incrementouse", con máis docentes ao cargo de grupos máis reducidos. Ratio e calidade educativa A este respecto, desde a CIG-Ensino concordan en que, malia a todas as dificultades, o segundo curso da pandemia serviu para comprobar os beneficios de traballar con grupos de 17 ou 20 estudantes. "Supuxo unha mellora da atención educativa, da maneira de funcionar o profesorado e do proceso de aprendizaxe do alumando", conclúe Suso Bermello, quen reprocha a falta dun estudo rigoroso por parte da Consellaría que mida o impacto real da pandemia nas aulas baixo todas as condicións e apoie a toma de decisións. Non existe. Ao contrario, salienta José Manuel Fuentes. "O que hai é unha decisión previa: reducir o gasto en educación. E en consecuencia, a construción dun relato que a xustifique". Así, o inicio de curso é unha volta "á normalidade coa que levamos convivindo desde o ano 2008", asegura o voceiro da CIG-Ensino, a dos recortes de persoal, de aulas e dun sistema educativo público "bo" que soubo reaccionar aos golpes recibidos. CCOO denuncia verdadeiras barbaridades na redución de profesorado Infantil e Primaria reabren cunha ratio máxima de 25 estudantes por aula. Sen cambios na normativa mais si nos centros educativos. "A Lei Orgánica estabelece unha cota máxima, non mínima, polo que non hai nada que impida a un Goberno autonómico reducila, a 15 en Infantil e a 20 en Primaria, como pide unha maior calidade educativa", reivindica Suso Bermello. Como aconteceu o ano pasado. Lonxe deste escenario, CCOO denuncia "verdadeiras barbaridades na redución de profesorado" e na reordenación de unidades. Estima unha perda de 164 docentes polo feche de aulas e a redución de alumnado. "Pero este argumento non nos vale", advirte Fuentes. "Nun ano de pandemia o que non hai que facer é escatimar recursos nin xuntar dúas aulas para chegar aos 25, senón manter as máximas distancias posíbeis" con profesorado suficiente. Feches no rural No canto disto, informa de aulas de até 26 alumnos en centros como o CEIP Ramón María del Valle Inclán ou casos como o do CEIP de Trazo, que malia manter 45 escolares en Infantil queda con dúas unidades "ao límite da súa capacidade". A CIG-Ensino cifra o feche de aulas en 127, fundamentalmente no rural, tras afrontar a pandemia nas mellores condicións con grupos reducidos. "É o premio que reciben", di Bermello. Perda de profesorado, feche de unidades ou unión de aulas de distintas idades que inzaron as rúas de protestas nas últimas semanas. A comunidade educativa do CEIP Areouta de Fisterra, contra a perda dunha aula que deixa perto dunha vintena de alumnos e alumnas de entre 6 e 11 anos integrados nun mesmo espazo por primeira vez desde este curso. Pero tamén as do CPI de Ponte Carreira, en Frades, da unitaria de Sabaxáns, en Brión, ou do CEIP Igrexa-Calo, en Teo, contrarias a un feche de aulas que pon en risco, tamén, o apoio específico a crianzas con necesidades educativas. O profesorado específico de PT e AL aumentou, di José Manuel Fuentes, "pero a cambio de reducir o xeral", polo que os apoios seguen a ser insuficientes, máis aínda en aulas atestadas. Mobilizacións "Aos políticos éncheselles a boca falando do rural mais ninguén aposta por el. No ámbito educativo féchanse unidades con criterio economicista e non de servizo", sentencia Felipe Balboa, quen recalca que a perda de alumnado non xustifica nin a supresión de aulas nin de centros. Así, un ano mais, o curso comeza sen cifras definitivas. Entre incertezas e protestas no rural mais nos contornos urbanos, por un ensino de calidade, sen recortes e máis transparente. Con "menos ratio e máis docentes" como demandaron esta cuarta feira diante da Consellaría de Educación a Confederación de Anpas Galegas e o sindicato CIG-Ensino. |
NOS_19929 | Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína. | 🔴 [EN DIRECTO] 22.00 | Alto o fogo a partir das 10 horas da terza feira Segundo informan Russia Today e Agence France-Presse, o Goberno da Federación Rusa vén de decretar un novo alto o fogo a partir das 10 horas desta terza feira [hora de Moscova] para permitir a evacuación de civís a través dos corredores humanitarios en Kiev, Kharkiv, Mariupol, Chernigov e Sumy. 20.35 | Conclúe con "pequenos avances" a terceira rolda de negociacións entre Ucraína e Rusia Ambos os países acúsanse mutuamente de impedir a evacuación de persoas a través dos corredores humanitarios e emprázanse a unha nova reunión para seguir a abordar este tema. Rusia trasladou unha serie de propostas que agora Ucraína "estudará" nos vindeiros días. Conclúe con "pequenos avances" a terceira rolda de negociacións entre Ucraína e Rusia 19.30 | Rusia di que as negociacións "non cumpren as expectativas Segundo vén de reportar a Agence France-Presse (AFP), os representantes diplomáticos da Federación Rusa adiantaron que a nova rolda de negociacións que están a decorrer nestes intres con Ucraína "non está á altura das expectativas". 18.50 | A UE exixe a Putin liberar aos detidos nas protestas contra a guerra A presidenta do Parlamento europeo, Roberta Metsola, recoñeceu esta segunda feira o "valor" das e dos cidadáns rusos que están a saír ás rúas para protestar contra a invasión de Ucraína, ao tempo que pediu, dando lectura a unha declaración institucional, a "inmediata" posta en liberdade dos milleiros de manifestantes detidos. Segundo Metsola, só este domingo foron detidas perto de 4.500 persoas en Rusia, o que elevaría a cifra total a "cando menos, 13.000" desde que hai unha semana principiaron as protestas en máis de 140 cidades do país. "Putin vaise decatar de que a verdade non se pode reprimir facilmente", afirmou. 18.00 | Ucraína afirma que Rusia non avanzou "en ningunha fronte" nas últimas horas O asesor da Presidencia de Ucraína, Oleksiy Arestovich, asegurou esta segunda feira que Rusia "non rexistrou avances en ningunha liña da fronte" durante as últimas 24 horas, mentres as forzas ucraínas terían liberado "algunhas zonas da rexión de Kharkiv previamente ocupadas polos rusos". 16.30 | Concellos galegos dispoñen 900 vivendas para acoller refuxiadas ucraínas O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, informou de que os concellos galegos xa puxeron a disposición da Xunta e do Goberno estatal perto de 900 vivendas para acoller a refuxiados ucraínos. Aliás, a Xunta habilita dúas liñas de axuda ao pobo ucraíno e pide que as doazóns ás ONG se fagan "en efectivo". Concellos galegos dispoñen 900 vivendas para acoller refuxiadas ucraínas 16.00 | Comeza a terceira rolda de negociacións Representantes dos gobernos ruso e ucraíno comezaron hai escasos minutos a terceira rolda de negociacións desde que principou o pasado 24 de febreiro a invasión rusa de Ucraína. O Kremlin reitera que as súas demandas son o recoñecemento de Crimea como rusa, a independencia de Donetsk e Lugansk e a "neutralidade" de Ucraína no taboleiro da xeopolítica. Aliás, rusos e ucraínos cruzan acusacións sobre os infrutuosos corredores humanitarios. 15.30 | Rusia promete unha retirada inmediata se Kiev acepta as condicións do Kremlin O portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, asegurou esta segunda feira que o Goberno ruso retirará as tropas de Ucraína e porá fin á guerra de inmediato se Kiev acepta as catro condicións impostas por Vladímir Putin. "Aos ucraínos díxoselles que todo isto podería deterse nun momento", afirmou Peskov. Estas son as condicións que Rusia impón a Ucraína para pór fin á guerra 13.31 | Cruz Vermella afirma que o corredor humanitario da cidade de Mariupol "está minado" O director de operacións do Comité Central de Cruz Vermella afirmou nunha conversa en Radio 4 da BBC que o corredor humanitario estabelecido polo exército rusto para evacuar civís na zona de Mariupol está minado. Polo de agora non está confirmado se as minas son rusas ou ucraínas. Rusia e Ucraína acordan abrir corredores humanitarios para a evacuación 12.22 | O alcalde de Kiev asegura que están a producirse "intensos combates" ás aforas da cidade O rexedor da capital de Ucraína, Vitali Klichko, alertou na súa conta de Telegram de que "están a producirse intensos combates ás aforas de Kiev". En concreto, durante os últimos dous días o exército ruso está a bombardear as cidades de Hostomel, Bucha Vorzel e Irpin. Klichko tamén acusa Rusia de "matar cívis con extrema violencia". Ucraína denuncia Rusia ante a Corte Internacional de Xustiza 11.16 | Unha semana de cautiverio para o xornalista Pablo González O xornalista Pablo González, que estaba a actuar como correspondente para diversos medios españois na fronteira entre Polonia e Ucraína, foi detido o pasado 28 de febreiro polas autoridades polacas. Após sete días detido e cunha acusación formal de actuar como espía para o Goberno ruso, as autoridades españolas manteñen o silencio sobre que actuacións están a levarse a cabo para facilitar a súa saída do cárcere. Unha semana de cautiverio para o xornalista Pablo González 10.14 | O prezo do petróleo en Europa achégase ao maior valor desde o comezo da crise de 2008 O prezo do barril de Brent, que se emprega como referencia en Europa para medir as flutuacións do valor do petróleo e do crú, alcanzou nas últimas horas os 140 dólares. Isto sitúa o seu prezo cerca do máximo histórico desde o comezo da crise económica de 2008. As ameazas de Estados Unidos de impor novas restricións que afecten á venda destes barriles con procedencia rusa fixeron crecer o prezo en 20%. Nova repunta dos carburantes: canto custa hoxe encher o depósito? Ao tempo, segundo o New York Times e o Wall Street Journal, unha delegación do Goberno estadounidense reuniuse con homólogos venezolanos para estudar que o petróleo do país suramericano poida volver a formar parte dos mercados internacionais, coa intención de evitar que a imposición de novas sancións a Rusia neste ámbito supoñan un problema para a sustentabilidade enerxética en Europa. Irán e Venezuela, moito máis que a gasolina 09.22 | O Goberno ruso anuncia o estabelecemento de corredoiros humanitarios nas principais cidades de Ucraína O Goberno de Rusia anunciou que cesará os bombardeos nos corredoiros humanitarios durante esta segunda feira para que a poboación de cidades como Mariupol, Kharkiv ou Sumi poida saír cara a Rusia. Con esta é a terceira vez que as autoridades rusas anuncian o estabelecemento de corredoiros humanitarios, sen que ningunha das outras veces fosen respectados polo exército ruso, segundo denunciaron medios internacionais coa difusión de imaxes de bombardeos nestes puntos durante toda a fin de semana, que deixaron decenas de falecidos civís. 🇷🇺🇺🇦 Tercer intento de establecer corredores humanitarios. Rusia ha anunciado altos al fuego a partir de las 10:00 a.m. (hora ucraniana) para que se habrán corredores en Kiev, Kharkov, Mariúpol y Sumy a petición del presidente francés Macron. Algunas rutas publicadas por Rusia: pic.twitter.com/HH0aLUgmGQ— Descifrando la Guerra (@descifraguerra) March 7, 2022 08.37 | O Ministerio de Defensa de Reino Unido acusa Rusia de bombardear infraestruturas ucraínas de comunicación O Ministerio de Defensa do Reino Unido vén de acusar o exército ruso de bombardear infraestruturas ucraínas de comunicación coa intención de "reducir o acceso á información fiábel" por parte da poboación. A semana pasada, soldados rusos bombardearon a torre de televisión da capital ucraína, Kiev. Algo que se repetiu durante a fin de semana na segunda cidade do país, Kharkiv. Latest Defence Intelligence update on the situation in Ukraine - 07 March 2022 Find out more about the UK government's response: https://t.co/D3NG9b9zMX 🇺🇦 #StandWithUkraine 🇺🇦 pic.twitter.com/lIjezjELsE— Ministry of Defence 🇬🇧 (@DefenceHQ) March 7, 2022 07.54 | Delegacións rusas e ucraínas teñen previsto reunirse hoxe por terceira vez para negociar O sábado, delegacións de negociadores rusas e ucraínas teñen previsto reunirse ao longo do día de hoxe no territorio de Bielorrusia para estabelecer a terceira quenda de negociacións entre os Gobernos de ambos países. Esta nova xornada de diálogo, pendente de confirmación, chega após as denuncias da comunidade internacional e de Ucraína da vulneración do alto o fogo por parte do exército ruso nas zonas dos corredoiros humanitarios estabelecidos na segunda xornada de negociación. O servizo secreto ucraíno mata un dos membros da delegación negociadora de Ucraína |
NOS_49143 | A sentenza recoñece que o dereito de acceso aos expedientes administrativos que garden relación cun proxecto que poida afectar a una comunidade é aplicable a calquera persoa, aínda que se trate de expedientes rematados. | Durante a loita contra o proxecto mineiro de Corcoesto, un dos temas que preocupaba era o da posíbel caducidade das concesións. Entre os activistas da Plataforma de Corcoesto existía a convicción de que as concesións mineiras non estaban vixentes, algo que invalidaría o proxecto. A finais de 2012, un integrante da Plataforma contra a mina solicitou acceso á documentación relativa a ditas concesións, coa intención de comprobar se as sospeitas eran certas. Esta documentación non se lle facilitou, polo que interpuxo unha demanda. Após máis de cinco anos, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de resolver a favor do integrante da Plataforma contra a mina que realizou esa solicitude. Na sentenza, informa a Plataforma, recoñécese sen ningún xénero de dúbida o dereito desta persoa a acceder á documentación solicitada, condénase expresamente á administración demandada (a Xefatura Territorial de Enerxía e Minas de A Coruña) a expedir e entregar copias dos documentos relacionados co estado das concesións. A sentenza recoñece así, di a Plataforma, que o dereito de acceso aos expedientes administrativos que garden relación cun proxecto que poida afectar a una comunidade é aplicable a calquera persoa, aínda que se trate de expedientes rematados. É lamentable que esta sentencia chegue con tantos anos de retardo, di este colectivo. |
NOS_51478 | A rede ContraMINAcción, integrada por unha vintena de colectivos, denuncia que o informe dun equipo da USC no que a concesionaria da mina de San Finx e a Dirección Xeral de Enerxía e Minas se apoian para desbotar o impacto ambiental da explotación está "repleto de plaxios de traballos doutros autores que se manipulan sen pudor". | A plataforma refírese a un dos informes asinados polo profesor xubilado Felipe Macías Vázquez, quen, segundo explica, "copia parágrafos enteiros sen citar de blogs anónimos de internet". "O informe", engade ContraMINAcción, "fabrica sen base ningunha un suposto fondo natural de metais para os principais metais contaminantes que verte a mina (cadmio, cobre e cinc) e aínda recorre a fenicios, romanos, 'picheleiros' e ao mesmo Almanzor para repartir culpas". En 2017, lembra o colectivo, a concesionaria do Grupo Sacyr que explota a mina de San Fins decidiu recorrer a Macías para dar resposta ás alegacións a que deu lugar a tentativa da mineira de verter millóns de metros cúbicos de augas contaminadas por metais pesados no río San Fins, situado a seis quilómetros augas arriba da ría de Muros e Noia. "As alegacións", lembra a rede, "deixaron en evidencia a burla que supuña o método de tratamento inicialmente proposto e como as verteduras provocarían un agravamento crítico da situación de contaminación". Así, ContraMINAcción explica que os dous informes de réplica encargados polo Concello de Muros e Verdegaia "demostraron os extensos plaxios, a carencia absoluta de metodoloxía e graves manipulacións de datos no informe de Felipe Macías". Entre estes plaxios atoparíanse, subliñan, un blog anónimo de internet e un traballo presentado polo que fora director da mina nun congreso da Universidade Politécnica de Madrid. Apunta a rede que un primeiro informe de réplica realizado por sete técnicos, incluído o doutor en Xeofísica Steven H. Emerman -que esta mesma semana realizou unha nova inspección da mina San Fins-, "desmontou a tese dun suposto fondo natural de metais, explicando os impactos actuais da minaría. O segundo informe de réplica, realizado polo doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga André Pena, ocupouse de mostrar non só a burla que representan os argumentos "históricos" presentados por Macías, senón o modo en que estes foron abertamente plaxiados de distintas fontes". ContraMINAcción lembra que o director xeral de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces, está imputado por un presunto delito de prevaricación ambiental precisamente por ter supostamente facilitado a contaminación causada pola mina San Fins desde a súa reapertura en 2009. "No mes de xaneiro de 2019", apunta nun comunicado a plataforma, "a propia Dirección de Minas remitiu á ONU a tradución ao inglés de partes dun segundo informe asinado por Felipe Macías na tentativa de defender ante este órgano a inexistencia de contaminación mineira". A "gravidade dos feitos" esgrimidos leva á plataforma a demandar á USC "a retirada da condición de profesor emérito a Felipe Macías e que revise a relación contractual coas restantes persoas responsábeis do informe, no suposto de que teñan algunha". |
NOS_22552 | O novo delegado do Goberno español na Galiza, José Miñones, substitúe no cargo Javier Losada. | Esta quinta feira, 8 de abril, nun acto realizado ás 16 horas na sede da Delegación do Goberno estatal na Galiza, situada na cidade Coruña, tomou posesión do seu cargo José Miñones, ex alcalde de Ames e novo delegado do Goberno español na Galiza. Miñones substitúe Javier Losada e converterase no undécimo delegado do Goberno na Galiza desde 1981, despois do seu nomeamento polo Consello de Ministros do 30 de marzo pasado. Nas súas novas funcións, Miñones terá ao seu cargo a coordinación na Galiza da Policía, Garda Civil, Policía galega e os corpos de seguridade locais. Tamén exercerá a representación do Goberno do Estado na Galiza a cargo das catro subdelegacións provinciais, dirixidas por Pilar López-Rioboo na Coruña, Isabel Rodríguez en Lugo, Emilio González en Ourense, e Maica Larriba en Pontevedra. O acto contou coa presenza de José Luis Ábalos, ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que se reunirá esta sexta feira, 9 de abril, co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey. José Miñones é doutor en Farmacia e investigador, e foi alcalde de Ames desde 2015 até o seu nomeamento como novo delegado do Goberno. Forma parte da executiva do PSdeG. Antes de tomar posesión, Miñones agradeceu a confianza a Pedro Sánchez, presidente do Goberno do Estado, e explicou que afronta o reto "con ganas e ilusión", tamén agradeceu as persoas que o acompañaron na política local. O seu ascenso nas filas do PSOE confirmouse o pasado 15 de marzo, cando foi designado como único poñente do PSdG no Congreso Federal que o PSOE realizará o vindeiro 17 de outubro en València. Encargarase no Congreso Federal das áreas de municipalismo e medio rural. Novo alcalde en Ames O novo alcalde de Ames é Blas García, número tres da lista do PSdeG ao Consistorio, que foi elixido esta quinta feira, 8 de abril. pola noite nun pleno extraordinario na Casa da Cultura de Bertamiráns. Media hora antes, desenvolveuse outro pleno extraordinario sen público para que Santiago Márquez Noya, número 9 da candidatura do PSdeG, tomara posesión do cargo de concelleiro ocupando a vacante que deixa Miñones. O concello está gobernado por un tripartito entre PSdeG, BNG e Contigo Podemos. |
NOS_7334 | O programa da Concellaría de Patrimonio Histórico leva dende 2013 realizando diferentes iniciativas co fin de investigar, documentar e divulgar a vida das mulleres pontevedresas. Após cinco anos de longo percorrido, o Concello presenta agora unha páxina web na que comparte todos os materiais recollidos até o momento. | O obxectivo do proxecto é, segundo din, "encher de contido o baleiro que as mulleres ocupaban no relato oficial, contar como de imprescindíbel foi o seu pulo para construír a Pontevedra que agora coñecemos". Para iso foron recompilados nomes, biografías e rostros de mulleres de tres ámbitos: pioneiras, traballadoras e represaliadas e resistentes. O traballo consistiu nunha fonda investigación sobre documentación, bibliografía, hemeroteca, imaxes e arquivos de son e vídeo que puidesen existir sobre elas, ben como a realización de ducias de entrevistas que puidesen achegar novas informacións. No entanto, o labor non quedou aí. Completouse con tarefas de divulgación e homenaxe, en colaboración coas asociacións culturais e veciñais, e mesmo as familias. A intención é "dalas a coñecer á cidadanía, e en especial á comunidade educativa". Agora, estes cinco anos de traballo iranse amosando na web, onde é accesíbel para toda a poboación, de xeito que o proxecto non fique no esquecemento. |
NOS_48976 | Na Galiza, os expedientes en materia de dependencia tardan unha media de 342 días en seren tramitados, un período que se encadra por baixo da media estatal. | A 30 de novembro, na Galiza existían 8.728 casos pendentes de resolución e 410 expedientes pendentes de valoración, é dicir, un total de 9.138 casos á espera dalgún trámite. Ademais, os datos tamén amosan que 12,4% das persoas que teñen dereito a esta atención á dependencia están desatendidas, na espera por algún trámite. No resto do territorio estatal, o tempo medio de tramitación é de 426 días desde que se presenta a solicitude, segundo se desprende dos datos estatísticos do Sistema de Información do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, Sisaad, recollidos polo Observatorio Estatal para a Dependencia. "Estes datos explican que a pesar do incremento paulatino do número de persoas atendidas nos últimos dous anos, o ritmo é claramente insuficiente para absorber as demandas de valoracións e atencións", indica o informe. O estudo tamén apunta a que até novembro de 2019 incrementouse o numero de persoas en espera de valoración de grao de dependencia e en espera de atención de servizos ou prestacións, até as 423.000 persoas en todo o estado. |
Subsets and Splits
No community queries yet
The top public SQL queries from the community will appear here once available.