ID
stringlengths 5
12
| summary
stringlengths 0
1.73k
| text
stringlengths 0
68.7k
|
---|---|---|
NOS_2034 | Após que milleiros de persoas se manifestasen en Compostela ante a residencia de Núñez Feijóo, o PPdeG emite un comunicado no que pon á Xunta de exemplo de apoio e compromiso cos afectados. As plataformas consideran o comunicado "unha tomadura de pelo" | Máis de 10.000 persoas participaron este sábado na manifestación que percorreu Compostela para desembocar ás portas da residencia oficial de Feijóo e denunciar a complicidade da Xunta neste calote que afecta a 95.000 galeg@s. Horas despois desta mobilización, o PPdeG emite un comunicado no que, alén de criticar a oposición por, afirma, facer demagoxia cos estafados, salienta que "a Xunta en todo momento estivo ao lado" dos e das afectadas. "Queremos lembrar que Galiza foi pioneira en España en pór en marcha a arbitraxe para tramitar as reclamacións dos afectados, un sistema gratuíto e que ten a mesma validez que unha sentenza xudicial. Grazas a esta fórmula, até o momento puideron recuperar os seus aforros máis de 12.500 persoas coa devolución de 230 millóns de euros" "Están a tomarnos o pelo" As afirmacións do PPdeG causaron sorpresa e indignación entre as e os afectados. Así, integrantes de colectivos coma o de Barbanza falan de "tomadura de pelo" e de "unhas declaracións vergoñentas", en palabras de Silvia Ordóñez. "A Xunta é cómplice. Non está a facer nada, andan coa quita e a canxe e eles, nada". Tamén desde asociacións de afectados da zona de Ferrol se considera unha "carallada" o comunicado do PPdeG. Neste sentido, Manuel García xulga que "algo asustados deben de estar ao ver tanta xente a protestar e agora inventan iso de que nos apoian" |
NOS_4166 | A palestra, organizada pola Real Academia Galega, contará coa presenza de Carme Vidal Laxe, Xan Carballa e Margarita Ledo, e será moderada por Víctor Freixanes. | As Irmandades da Fala e a prensa' é o título do acto que a partir das 19:30 horas desta terza feira, 19 de xullo, vai decorrer no Museo do Pobo Galego. Unha actividade organizada pola Real Academia Galega (RAG) e a Xunta e que vai decorrer no Museo do Pobo Galego. Carme Vidal Laxe debullará o papel das mulleres no voceiro das Irmandades da Fala, Xan Carballa falará da prensa como escaparate das Irmandades e Margarita debruzarase sonre como pensar un modelo de comunicación. A mesa estará moderada por Víctor Freixanes. |
PRAZA_8013 | O presidente da RAG limitouse a responder cun rotundo "non hai comentarios" ás preguntas sobre o anuncio da súa marcha. Besteiro, presidente da Deputación de Lugo, únese ás voces que lle piden que non dimita. | "Será informada ao seu debido tempo". Así respondeu Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega, a unha xornalista que lle preguntou sobre a data do vindeiro plenario da RAG e sobre a posibilidade de que dese marcha atrás na súa anunciada decisión de dimitir do seu cargo, logo de que numerosos persoeiros da cultura galega, académicos como Manuel Rivas e Darío Xohán Cabana ou entidades como a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) ou o Centro Pen lle pedisen que continuase á fronte da institución. "Non hai comentarios", respondeu Ferrín a cada cuestión sobre a súa anunciada marcha Foi o único que se lle puido sacar a Ferrín no seu primeiro acto público logo de que o pasado luns anunciase a súa intención de deixar a presidencia da RAG. A cada unha das cuestións sobre a súa previsible marcha, o aínda presidente da institución limitouse a responder cun "non hai comentarios" ata en tres ocasións. Tan só deixou Ferrín un "ben, grazas" cando foi preguntado por como estaba a "dixerir" o conflito na Academia e tras solicitar que se falase de "gastronomía" con motivo da presentación do Dicionario de alimentación e restauración. "Preferiría que non insistise", chegou a asegurarlle aos periodistas, que terán que agardar para coñecer a data do vindeiro plenario da Academia e se o actual presidente repensa a súa decisión de abandonar o cargo ante as numerosas peticións para que rectifique. O presidente da Deputación de Lugo pídelle a Ferrín que siga á fronte da RAG e destaca a súa "defensa" do galego e da cultura galega Un dos últimos apoios recibidos por Méndez Ferrín foi a do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, que lle pediu que siga á fronte da RAG. O líder socialista en Lugo destacou a "defensa" do galego que realiza o actual presidente da Academia "nuns momentos de menosprezo cara á lingua e á cultura galega por parte do Goberno da Xunta e do Goberno central". Ademais, asegurou que "ten proxecto" para a institución. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o "trato impecable" do Goberno galego coa Academia durante o mandato de Méndez Ferrín e valorou a aposta do presidente da instituión por "poñer a excelencia" na RAG. Aínda así, negouse a comentar algo sobre a presunta división interna do organismo. |
NOS_35873 | O rural segue a descubrirnos novas experiencias. A de María Veiga e Miguel Garea na aldea de Xiros (Guitiriz) é das que ilusionan. En 2017 crearon un obradoiro de queixos coa idea de trasladar a súa experiencia a un dos produtos estrela da nosa gastronomía. Non lles foi mal, até o punto de non botar en falta o seu anterior traballo, moito máis rendíbel a nivel económico. | Como nace Bisqato? Nós chamámoslle obradoiro lácteo artesanal. Non é só unha queixaría. Facemos o noso propio I+D+i dentro da propia instalación aínda que traballamos como se fose un obradoiro tradicional. Nós somos veterinarios e parella. Tentamos facer algo un pouco diferente ao habitual na Galiza co leite, que é levalo á industria. Transformámolo e dámoslle un pouco de valor. Recollemos o nome dunha palabra galega, "biscato", que significa "anaco ou cachiño pequeno de algo", á que lle mudamos a letra "c" polo "q" de queixo. É a idea do pequeno grao de area que dous veterinarios quixeron pór no rural galego. Levamos moitos anos traballando con vaca de leite, case toda a nosa carreira, en ámbitos como a calidade, a produción animal ou o saneamento. Decidimos transformar o seu produto. Para facelo buscamos unha explotación de pastoreo que estivese perto da nosa queixaría para mercar o leite. Tentamos que non sexa raza pura frisoa e que teña mestura. O máis importante é que estean pastoreando, nunha explotación que sexa máis sostíbel. Que aproveiten o terreo que hai na Galiza, que é excelente. E a idea de experimentar cos tipos de queixos? Decidimos non facer queixo do país porque, aínda que nos parece un queixo marabilloso, tendeuse a elaboralo ben na casa, como aínda se fai, ou nas grandes industrias que fan o queixo, pondo parafina por fóra. A nosa idea era preparar leite callo e fermentos, nada máis. Para iso fixemos uns queixos que se chaman de pasta branda, como os que había antes aquí por darse moi ben nas zonas húmidas. Temos un coa codia con balor a base dun zume que se chama Penicillium camemberti... con ese nome xa podes imaxinar a que se asemella. É moi cremoso cunha codia branca que se denomina "florida", de tamaño pequeno e cun sabor intenso. O outro queixo ten a codia lavada e presenta unha forma de facelo moi semellante ao de Arzúa-Ulloa, á maneira tradicional sen antinfúnxicos. O único modo de que non saíran fungos no queixo era lavalo con auga e con sal. Xogamos cunha bacteria para que lle dea unha cor laranxa que é habitual nas mans ou nas ubres das vacas, mais que agora, coa cantidade de hixiene que temos, non sae de maneira natural. Ademais, dá un sabor moi característico ao queixo. É o típico cheiro a pés... O futuro do leite na Galiza pasa pola súa transformación? A empresa naceu en 2017 mais levabamos moitos anos visitando queixarías, sempre nos gustou o tema. Cando pasamos a crise do leite en 2012 ao mirar os datos do prezo do leite a nivel de Europa era moi curioso por descubrir que había dous países que se salvaban: Francia e Italia. Sen contar con Suíza, que transforma todo o seu leite a través de cooperativas. A razón era que conseguían darlle valor. Esa é a saída que temos aquí. Que atrancos e facilidades tivo o seu proxecto nos inicios? As dificultades eran as que púñamos nós, como querer mellorar o produto sempre. Tamén tivemos atrancos na comercialización. Polo lado positivo, non tivemos moitos trámites burocráticos coas institucións e mesmo entramos nun programa que nos permitiu acceder a financiamento. Se cadra o maior problema foi aprender a emprender. Non hai cultura de emprendemento aquí, hai medo ao fracaso. No noso caso deixamos un traballo bo e ben remunerado. Demos prioridade a traballar para nós e facer a nosa política. No rural vives con moito menos e para nós o diñeiro non é o principal. O máis importante é pasar unha tarde coa nosa filla. Por sorte, con excepción do principio, a pandemia da Covid-19 non nos afectou moito, como si aconteceu noutros sectores. |
NOS_8411 | A Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro convoca este domingo unha andaina contra a instalación do parque eólico no lugar e pola ampliación da declaración de Parque Natural a todo o ecosistema do Monte Aloia. No mesmo día, a Candidatura do Povo chama a 'pasear' para frear a construción dunha depuradora no río Roxos, na bisbarra compostelá | Os contos e lendas do Galiñeiro non teñen prezo. A gandería ecolóxica, os cabalos do monte e os curros de Vincios e de Morgadáns non teñen prezo. O lecer, os camiños, os subeiros, as pedras, as sombras, as augas, os estudos feitos e os que aínda se han facer, as illas ó lonxe, os poemas e os libros, o que perdemos e atopamos no Galiñeiro, nada de todo iso ten un valor calculable porque ese é un patrimonio común e natural que non se pode comprar nin vender, un patrimonio destas bisbarras, da Terra de Turonio, pero tamén de Galiza e mais da Humanidade. O que derriba destas liñas aparece é un bocadiño do manifesto que o escritor Manuel Rivas lerá ao remate da III Andaina pola protección da Serra do Galiñeiro --nos municipios de Vigo, Gondomar, O Porriño e Tui--, que se realizará este domingo. Non será o único 'paseo' a prol da protección dun enclave natural do País, xa que a Candidatura do Povo chama á cidadanía de Compostela e da bisbarra a camiñar na I Andaina Popular contra a instalación dunha depuradora na Devesa do Rei. Desta volta a Ruta da Auga foi a escolla da Plataforma pola Defensa da Serra do Galiñeiro para prender na cidadanía a chama da sensibilidade contra a destrución da maior cordilleira da comarca da Vigo coa contrución dun parque eólico de 39 megawats que Terra de Vento S.L. pretende colocar no Galiñeiro, despois de que o seu proxecto recibise o visto e prace da Xunta da Galiza. "A pesar de que no ano 2008 se anunciaba a ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a todo o cordal da Serra do Galiñeiro, aínda hoxe a desprotección dos seus valores naturais, culturais, sociais e económicos continúa sendo total", sinala o manifesto en defensa deste lugar. Exíxese do Goberno galego que proceda a declarar Parque Natural todo o cordal do Galiñeiro, seguindo a lóxica de que forma parte do mesmo ecosistema que o Monte Aloia. Unha depuradora "para destruír" o Río RoxosProtección pídena tamén desde a Candidatura do Povo en contra da instalación dunha depuradora nos terreos da denominada Devesa do Rei. O equipo de Goberno do ex alcalde de Compostela, Gerardo Conde Roa (PP) mudou o emprazamento escollido pola corporación municipal que encabezaba Xosé Sánchez Bugallo (PSOE) para o lugar onde conflúen os ríos Roxos e Sar, nun tramo onde se conserva unha superficie "considerábel" de bosque autóctono, a citada Devesa. Neste espazo "milagreiramente conservado sen que se teña edificado nel ningunha urbanización" agromou un bosque de laurisilva dos poucos existentes na Galiza e nel conviven especies como a saramaganta ou o caracol de Quimper, en perigo de extinción. Hai tamén unha antiga curtiduría e varios muíños, mostras do valor patrimonial e etnográfico desta paraxe. "Todo isto é o que quere sepultar a nova corporación do PP baixo o formigón e os aterramentos da nova depuradora", denuncia a Candidatura do Povo nunha folla voandeira na que animan á cidadanía a participar na andaina popular convocada tamén para este domingo, igual que a da Serra do Galiñeiro. Desde a organización política manifestan a súa sospeita de que a escolla deste emprazamento --co previsíbel rexeitamento veciñal-- "non será unha intención solapada de adiar indefinidamente a construción da depuradora". E é que atrasar máis a obra implicaría "a máis que posíbel" perda dos fondos europeos destinados a tal finalidade, e traduciríase na falta de financiamento para unha infraestrutura "actualmente imprescindíbel" para o saneamento do río Sar, unha das fontes de contaminación "máis graves" do curso do Ulla e da ría de Arousa. |
NOS_15300 | Un total de 172 deputados laboristas votaron contra Corbyn por só 40 que o fixeron a favor. O líder do Partido Laborista non renuncia porque se sente lexitimado polo apoio das bases | Jeremy Corbyn perdeu a moción de censura á que foi sometido polo grupo parlamentar do partido que lidera, o Laborista, nunha derrota que estaba máis que prevista. O grupo na Cámara británica fixo de contra-poder a Corbyn desde o minuto un en que este pacifista e vexetariano foi eleito líder laborista en setembro pasado. As bases e sindicatos apostaron en Corbyn para un xiro á esquerda na política da formación, algo que o grupo parlamentar laborista -controlado polo sector blairista do poartido- nunca viu con bos ollos. Jeremy Corbyn perdeu, pois, a moción de confianza non vinculante á que o someteu o seu grupo parlamentario, ante as críticas pola súa morna defensa da UE na campaña do 'Brexit'. Un total de 172 deputados laboristas votaron en contra del por só 40 dque lle deron o apoio. Desde o domingo, varios membros do seu equipo renunciaron ao seu posto para tratar de forzar a súa marcha, despois de dez meses á fronte da formación. Ao non ser vinculante, Corbyn non está obrigado a demitir. Nos últimos días amosou a súa vontade de se manter no posto independentemente do resultado da moción, argumentando que foi eleito polas bases do Partido Laborista e que os cargos da formación non son quen para reverter unha decisión da militancia. No sistema político británico existe unha figura, a da moción de confianza (no confidence motion) que non é só un mecanismo de fiscalización ao goberno, senón que se utiliza tamén dentro do Parlamento para que cada bancada poda controlar o seu propio líder. Esa moción é a que utilizaron os críticos visando forzar a renuncia de Corbyn. Corbyn sempre estivo en minoría entre os MPs (members of parliament) do Partido Laborista, mais agora a súa soidade é absoluta. Só o 20% dos parlamentares o apoian. O último voto de confianza dun grupo político contra o seu líder -o tory Ian Duncan Smith- acabou coa renuncia deste. Non parece que este vaia ser o caso de Corbyn. Corbyn afirma que "o voto de hoxe dos parlamentares non ten lexitimidade constitucional" Aliñado co sector máis á esquerda do Partido Laborista, o líder da formación socialdemócrata séntese respaldado polas bases do Labour e, nun comunicado feito público ao pouco de perder a moción de confianza, expresaba a súa determinación de continuar no cargo. "Eu fun democraticamente eleito líder do noso partido para facer unhas políticas distintas polo 60% dos militantes e apoiantes do Labour e non os vou traizoar agora apresentando a miña demisión. O voto de hoxe dos parlamentares non ten lexitimidade constitucional", afirmou. O detonante da rebelión parlamentar é a posición de Corbyn na recente campaña sobre o referendo arredor da continuidade do Reino Unido na UE. Os críticos do líder laborista acúsano de non ter sido capaz de mobilizar o eleitorado do partido a favor do Bremain, da permanencia. Repróchanlle pouco entusiasmo europeísta e lembran que no referendo anterior, en 1975, Corbyn votou pola saída do Reino Unido do daquela Mercado Común Europeu. No comunicado feito público hoxe, Corbyn retruca aos seus críticos sob o seu liderado o pasado mes o Partido Laborista conseguiu tornarse no "primeiro partido nas eleccións municipais", ao tempo que se gabou de que "dous terzos dos apoiantes laboristas respaldaron a nosa chamada a prol da permanencia na UE", mentres que no país se impuña a maioría pro-brexit por unha "estreita maioría". |
PRAZA_4669 | A dereita gobernante está a impoñer medidas radicais na sanidade pública –desde o goberno central e as autonomías-, que teñen un severo impacto nos servizos e representan unha hipoteca grave para o futuro. | A dereita gobernante está a impoñer medidas radicais na sanidade pública –desde o goberno central e as autonomías-, que teñen un severo impacto nos servizos e representan unha hipoteca grave para o futuro. Aínda que recoñecen o elevado nivel de calidade do noso Sistema Nacional de Saúde (SNS), nos seus laboratorios de ideas inventaron un argumentario simple e falaz que repiten como unha salmodia: o sistema actual é insustentable e cómpre "modernizar" a xestión para mellorar a eficiencia. Pretenden, con estes argumentos, xustificar a introdución de cambios profundos (externalizacións/privatizacións) que serían necesarios para garantir a continuidade do SNS. Mais non é así: o que presentan como oportunidades de mellora son, en realidade, ameazas severas para o sistema que está sendo parasitado e destruído desde dentro. Con esas xustificacións mendaces, e no escenario da prolongada crise económica que utilizan como escusa, comezaron a impoñer o seu ideario e a favorecer certos negocios a costa dos orzamentos públicos. Fixeron severos recortes orzamentarios (152 euros menos por habitante e ano no conxunto das autonomías, de 2010 a 2013) e reduciron drasticamente o persoal (taxa de reposición do 10%, 25.500 traballadores menos de xaneiro de 2012 a xullo de 2013 no SNS). Mentres tanto entregaron a mans privadas parcelas cada vez máis grandes dos centros públicos e, ante o imparable aumento das listas de espera, realizan derivacións masivas aos hospitais privados que experimentaron un notable incremento do seu negocio. En Galicia, o PP aprobou en solitario, en decembro de 2013, unha "Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias" que establece uns tempos de espera imposibles de cumprir. Pero da igual, porque a finalidade non é preservar os dereitos dos cidadáns: o obxectivo real é garantir o negocio dos centros privados que reciben cada vez máis derivacións, agora avaladas por lei. En Galicia, o PP aprobou en solitario, en decembro de 2013, unha "Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias" que establece uns tempos de espera imposibles de cumprir A sanidade pública vive momentos críticos. A súa continuidade está seriamente ameazada, agora sí, polas actuacións políticas dos actuais gobernantes. Algunhas das decisións impostas desde o poder van ser moi difíciles de reverter cando se provoque un cambio político. Mais cómpre actuar con determinación e sen demora porque a actividade dos "térmites" continúa, provocando a erosión do sistema desde dentro. Basean as súas decisións en principios ideolóxicos que perseguen a restauración dunha sanidade dual (beneficencia para os pobres e aseguramento privado para os ricos). Para conseguir este obxectivo utilizan diversos camiños, desde a promoción de hospitais co modelo PFI ata as numerosas privatizacións e externalizacións ou a proposta das Áreas de Xestión Clínica Con esa orientación o goberno central impuxo o Real Decreto Ley 16/2012, que nos devolve a un tempo anterior á Ley General de Sanidad (1982), que garantía o dereito universal á asistencia sanitaria. Tamén hai un impulso poderoso para a creación de espazos de negocio a expensas do diñeiro público adicado á sanidade (30-40% dos orzamentos autonómicos). Para conseguir este obxectivo utilizan diversos camiños, desde a promoción de hospitais co modelo PFI (financiamento público-privado) ata as numerosas privatizacións e externalizacións que parasitan os orzamentos sanitarios, ou a proposta das Áreas de Xestión Clínica (AXC), un mecanismo deseñado para a privatización do núcleo duro da sanidade: a "bata branca". Nunha próxima entrega falaremos destas manobras máis polo miúdo. |
PRAZA_3022 | Na actualidade a plataforma está composta por 80 colectivos. O encontro terá lugar este sábado na Casa do Matadoiro de Compostela e debaterá un decálogo de propostas ás formacións políticas de cara as vindeiras eleccións ao Parlamento galego. | O Movemento Galego polo Clima naceu o pasado mes de setembro co obxectivo de organizar as mobilizacións pola emerxencia climática que tiveron lugar nos últimos días dese mes. Esta plataforma articulouse rapidamente ao redor dun manifesto e conseguiu sacar á rúa a milleiros de persoas nas marchas convocadas o 27 de setembro en todas as cidades galegas. De igual xeito, participou na gran manifestación que o 7 de decembro percorreu Madrid coincidindo co Cumio Climático.A asemblea aberta terá lugar este sábado en CompostelaPorén, o movemento necesitaba un tempo máis repousado para o debate dos seus obxectivos e estruturas de organizacións e para valorar o camiño percorrido nos últimos meses. Este sábado 11 de xaneiro o Movemento Galego polo Clima (MGpC) celebrará unha asemblea aberta en Compostela, na que participarán representantes dos 80 colectivos que xa compoñen a plataforma, pero que busca adherir máis voces e entidades. A xuntanza terá lugar na Casa do Matadoiro e dará comezo ás 16.30 horas.A asemblea aberta busca en primeiro lugar debater e valorar o desenvolvemento e impacto das manifestacións que tiveron lugar o 27 de setembro, os resultados do Cumio do Clima celebrado en Madrid e o efecto da manifestación internacional polo clima que ese 7 de decembro percorreu a capital do Estado.Discutiranse as vindeiras accións do Movemento e un decálogo de propostas do MGpC ás formacións políticas de cara as vindeiras eleccións ao Parlamento Galego.Tamén se discutirá a metodoloxía que se deberá seguir para elaborar o manifesto 2020 do MGpC, traballarase no deseño dun "encontro nacional" do movemento, tanto o tipo de evento que é máis conveniente preparar, o seu lugar de celebración e as datas máis axeitadas. Igualmente, avanzarase na organización interna do MGpC, de cara a articular estruturas que melloren a súa capacidade de acción e o seu debate interno. Así mesmo, da asemblea sairán decisións para a mellora da comunicación externa do Movemento Galego polo Clima, de cara a incrementar a difusión das súas accións e ideario e incidindo na educación social.No encontro, que busca consolidar o movemento, debateranse cales deben ser as novas accións da organización nos vindeiros meses e discutirase un decálogo de propostas do MGpC ás formacións políticas de cara as vindeiras eleccións ao Parlamento Galego.Finalmente, da asemblea podería saír un incremento no número de colectivos que asinan os obxectivos do Movemento. Na actualidade son máis de 80, entre os que destacan Fridays For Future, Extinction Rebellion, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, Adega, Verdegaia, Avante LGBT, MMM, CEMMA ou o Sindicato Labrego Galego, ademais de entidades locais coma a APDR, o Colectivo ecoloxista do Salnés, a Plataforma veciñal mina Touro- O Pino Non, a Asociación Petón do Lobo, entre outras."O cambio de hábitos individuais é fundamental, pero ao final a transición cara a outro modelo, por exemplo a transición cara a un modelo enerxético sostible, ten que ser impulsado por unha decisión polos gobernos"O manifesto do Movemento Galego polo Clima reclamaba que "o debate sobre a mudanza climática xere conciencia da necesidade de actuar e premer para mudar os hábitos individuais, da sociedade, da economía, das empresas e sobre todo da necesidade de mudar as políticas". Así mesmo, apostaba por un cambio na política forestal e unha política agraria "que favoreza a soberanía alimentaria con base a produtos de proximidade". E reclamaba o peche "urxente" da central térmica de As Pontes, pero tamén medidas de apoio para os traballadores afectados.Kai Lois Baltrusch Montero, estudante de Bioloxía na USC e un dos representantes do movemento en Compostela, destacaba en conversa con Praza.gal que "o cambio de hábitos individuais é fundamental, pero ao final a transición cara a outro modelo, por exemplo a transición cara a un modelo enerxético sostible, ten que ser impulsado por unha decisión polos gobernos". E reclamaba que "estas reivindicacións teñen que ter caras novas", lembrando a gran mobilización que as xeracións máis novas están a levar a cabo ante a emerxencia climática. |
NOS_30334 | Segue a última hora con toda a información actualizada sobre a guerra en Ucraína, minuto a minuto. | 🔴 [EN DIRECTO] Actualizar 20.37 | O Goberno ucraíno afirma que as negociacións entre o seu país e Rusia suspendéronse até a cuarta feira O asesor de presidencia de Ucraína, Mijail Podoliak, comunicou nas súas redes sociais que as negociacións entre as delegacións rusa e ucraína suspendéronse até a cuarta feira. Podoliak afirmou que existen "contradicións fundamentais", pero existe "espazo para o compromiso". Mentres non se retoma o diálogo principal, os subgrupos seguirán a traballar. We'll continue tomorrow. A very difficult and viscous negotiation process. There are fundamental contradictions. But there is certainly room for compromise. During the break, work in subgroups will be continued...— Михайло Подоляк (@Podolyak_M) March 15, 2022 19.20 | Morren polos bombardeos en Ucraína dous novos xornalistas O camarógrafo de Fox News en Ucraína Pierre Zakrzewski, e a produtora Oleksandra Kuvshinova faleceron na mañá desta terza feira debido a bombardeos na aldea de Gorenka, no norte do país. Así o confirmou o Ministerio de Interior, Anton Gerashchenko, quen tamén informou de que que outro xornalista, Benjamin Hall, resultou ferido e tiveron que amputarllea parte inferior da perna. 18.01 | Rusia sanciona altos cargos dos EUA por políticas "rusófobas" O Goberno de Rusia anunciou a imposición de sancións a altos cargos dos Estados Unidos (EUA) por levar a cabo políticas "rusófobas". Entres os sancionados están o presidente dos EUA, Joe Biden, o secretario estadounidense, Anthony Blinken, e o director da CIA, William Burns. Lista de altos cargos sancionados por Rusia 17.32 | As Administracións instan a que a acollida de persoas refuxiadas ucraínas teña lugar por vías oficiais A Xunta e o Goberno español instaron unha vez máis a que a acollida de persoas refuxiadas ucraínas teña lugar "con prudencia" e a través das vías oficiais, para facilitar a regularización e a tramitación de documentos a estas persoas. Nun encontro entre o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Política Social, Fabiola García; e o delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, ambas Administracións acordaron constituír un grupo de traballo para facilitar a coordinación entre todas as institucións e entidades implicadas para garantir as axudas ás persoas desprazadas pola ofensiva militar rusa en Ucraína. 16.43 | Deteñen unha xornalista rusa por expor un cartaz contra a guerra en Ucraína durante o telexornal A xornalista rusa Marina Ovsianikova foi detida pola policía do seu país após de expor un cartaz contra en Ucraína durante a retransmisión dun telexornal. "Parade a guerra! Non creades a propaganda! Están mentindo!", rezaba o cartaz desta profesional da información. 🇷🇺Marina Ovsyannikova, trabajadora del canal estatal de Rusia, ha aparecido durante una transmisión en directo con un cartel que decía: "Parad a la guerra...No creas en la propaganda...Te están mintiendo". Algunas fuentes señalan que habría sido detenida. pic.twitter.com/kacY7Fh6Ex— Descifrando la Guerra (@descifraguerra) March 14, 2022 15.51 | Zelenski admite que Ucraína non formará parte da OTAN O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, admitiu no día de hoxe nunhas declaracións que o país non poderá formar parte da Organización sobre o Tratado do Atlántico Norte (OTAN). Zelenski afirmou que Kíiv "necesitará novos formatos de interacción con Occidente e garantías de seguridade separadas". ❗️Zelenskyy: "We realized that #Ukraine will not become a member of NATO. We understand this, we are adequate people." "#Kyiv needs new formats of interaction with the West and separate security guarantees" pic.twitter.com/aZRzhj1Yli— NEXTA (@nexta_tv) March 15, 2022 14.39 | Críticas dos 'socios' de Sánchez polo anuncio de incrementar o gasto en Defensa até 2% do PIB "Prioridades do Goberno máis progresista", ironizan desde o BNG sobre unha cuestión que tamén critican Unidas Podemos e a propia vicepresidenta segunda do Executivo estatal, Yolanda Díaz. Críticas dos 'socios' de Sánchez polo anuncio de incrementar o gasto en Defensa até 2% do PIB, como pide a OTAN 14.20 | Rusia nega procurar un "cambio de réxime" en Kíiv O embaixador ruso en Francia, Alexéi Meshkov, negou esta terza feira, en declaracións aos medios en París recollidas pola axencia Sputnik, que o Kremlin busque un cambio de réxime en Kíiv: "Rusia non procura mudar o réxime en Ucraína, o pobo é quen debe determinar o seu futuro. Este tema nin sequera se propuxo durante as negociacións das dúas delegacións". 13.35 | O diálogo será "difícil", di o Goberno ucraíno O asesor da Presidencia do Goberno ucraíno, Mijaíl Podoliak, confirmou esta terza feira a reanudación das conversas con Rusia, ao tempo que lamentou que as negociacións serán "moi difíciles". 12.50 | Ascende a 21 o número de vítimas polo ataque cun mísil en Donetsk Segundo recolle a axencia Sputnik, o Ministerio de Saúde da República Popular de Donetsk vén de elevar a 21 as persoas falecidas no ataque cun mísil balístico á cidade de Donetsk, que se saldou con outras 37 persoas feridas. Neste senso, o portavoz o Kremlin, Dmitri Peskov, lamentou a "falta de reacción" de Occidente fronte a este ataque: "Estamos moi decepcionados de que os líderes europeos e a miña homóloga [a portavoz da Casa Branca, Jen] Psaki, nin tampouco o presidente dos EUA, Joe Biden, nin os líderes de organizacións internacionais, nin a OTAN, dixeran nada sobre Donetsk hoxe [por esta terza feira] nin onte [pola segunda]". 12.13 | Ucraína castigará a quen "colabore" con Rusia O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, asinou esta terza feira unha lei que penaliza o "colaboracionismo" coas autoridades rusas. A norma prevé penas de prisión de até quince anos para quen sexa considerado culpábel, que tampouco poderá ostentar cargos públicos. 11.45 | Toque de recoller de 36 horas en Kíiv O alcalde de Kíiv, Vitali Klichkó, vén de anunciar a través de Telegram a imposición dun toque de recoller na capital ucraína que durará 36 horas, desde as 19 horas [hora da Galiza] desta terza feira até as 7 horas da quinta, 17 de marzo. "Pido a todos os habitantes de Kíiv que se preparen para ficar na casa durante dous días ou, en caso de alarma, nun refuxio", dixo. 10.43 | Novas sancións da UE a Rusia A Unión Europea (UE), segundo informa Europa Press, adoptou esta terza feira un novo paquete de sancións comerciais que buscan "illar" máis Rusia no escenario internacional. En concreto, as restricións afectan os sectores do aceiro e o ferro, que segundo os cálculos da UE suporán un "dano" de perto de 3.300 millóns de euros. Aliás, veta a exportación de produtos de luxo e prohíbe novos investimentos europeos no sector enerxético ruso. 09.15 | Rusia afirma ter tomado o control de Khersón O portavoz do Ministerio de Defensa da Federación Rusa, Ígor Konashénkov, segundo informa a axencia Sputnik, asegurou esta terza feira que xa tomou o control de "todo o territorio" da provincia ucraína de Khersón. 08.05 | Zelenski estenderá a lei marcial outros 30 días O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, vén de trasladar á Rada Suprema do país un proxecto de lei para aprobar o decreto presidencial que estende outros 30 días a vixencia da lei marcial en Ucraína, que expiraba o vindeiro 26 de marzo. 07.45 | Un acordo de paz podería chegar "nunha ou dúas semanas" As delegacións diplomáticas rusa e ucraína volverán reunirse esta terza feira tras o seu encontro da segunda, que se pausaron para realizar "traballo adicional". O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, apuntou que as negociacións van "bastante ben", mentres o asesor da Oficina da Presidencia de Ucraína, Aléxei Arestóvich, vaticinou que "nunha ou dúas semanas", ou en maio "a máis tardar", podería chegarse a un acordo de paz. Rusia e Ucraína pausan as negociacións até a terza feira para realizar "traballo adicional" 07.30 | Perto de 4.000 persoas evacuadas a través dos corredoresA viceprimeira ministra de Ucraína, Irina Vereshchuk, destacou que sete dos dez corredores humanitarios activos no país lograron sacar esta segunda feira unhas 4.000 persoas dos puntos activos do conflito. |
PRAZA_2622 | Falamos con Rosa Fontaíña Pazos, coordinadora da Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos de Vigo, que reclama a urxencia de proporcionarlles máis recursos ás vítimas da violencia machista, unha formación específica para todo o persoal que trata con elas, e melloras nos procesos xudiciais. | A Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos de Vigo é un dos primeiros lugares aos que moitas mulleres que sofren violencia machista acoden en busca de axuda. É algo así como unha primeira trincheira que ten que facer fronte a situacións moi duras e que ofrece información, consello á hora de realizar trámites xudiciais ou administrativos e unha colaboración e seguimento constante de todos os casos. Están aí. A súa coordinadora, Rosa Fontaíña Pazos, leva anos levando a cabo este labor, con moita vontade e poucos medios. Participou esta semana na xornada organizada por AGEe no Parlamento europeo sobre O sesgo machista na aplicación das políticas: O caso da xustiza, onde denunciou as dificultades que sofren as vítimas nos procesos xudiciais. "Fálase moito, sácanse leis, prométense moitas cousas, pero a realidade é que as mulleres contan con moi poucos recursos. Son parches, nada máis que parches que non serven para nada" "No encontro" -di- "todas concluímos nunha cousa: o sistema non funciona e hai unha falta de interese en solucionar o problema por parte das autoridades. Non hai un interese real en acabar coa violencia de xénero". "Fálase moito, sácanse leis, prométense moitas cousas, pero a realidade é que as mulleres contan con moi poucos recursos. Son parches, nada máis que parches que non serven para nada, para amosarlle á cidadanía de que se están facendo cousas. A realidade, o día a día, demostra que os recursos son totalmente insuficientes", denuncia, engadindo que "se houbese un interese real, daríanlle a formación necesaria ás forzas de seguridade e aos servizos sociais". Fontaíña esixe que todos eles teñan "unha formación específica e continuada en violencia de xénero" e explica que hai múltiples aspectos que fallan, sobre todo na atención á hora de denunciar. "Cando unha muller chega á comisaría para poñer unha denuncia, debe ter un axente de policía experto en violencia de xénero e que se faga cargo de que a muller entendeu o que se lle está explicando", di. En moitos casos, as mulleres non son informadas de que teñen dereito a ser asistidas por un avogado ou avogada e, en ocasións "as forzas de seguridade crean desánimo nas mulleres ou lles comentan que a persoa avogada pode demorarse horas", afirma. "Alguén se preguntou algunha vez por que as mulleres moitas veces non queren declarar despois de denunciar á súa parella ou de que esta sexa detida por un caso de violencia machista? A lei permite que o suposto delincuente hoxe en día poida facer unha chamada desde os calabozos secreta para dicir onde está. O que está pasando é que eles fan esa chamada ás mulleres ameazándoas con que se falan irán a por elas", denuncia. "É necesario que se empreguen linguaxes sinxelas e que todas as persoas poidan entender para non crear máis trabas", sinala. "Ás veces as mulleres chegan aquí, á asociación, sen saber nin sequera que xuízo tiveron, porque os avogados e avogadas non lles explican nada, ou dinlles catro cousas en linguaxe xurídica, que as mulleres non entenden", explica. "Non pode ser que os políticos, que non fan nada, que sacan leis daniñas, que non se preocupan en absoluto de como viven estas persoas, saian despois lamentando os asasinatos" A coordinadora da Rede demanda igualmente a promoción da "intervención integral, facilitando o acompañamento social ás mulleres en todos os trámites que necesiten, potenciando a rede social e de axuda mutua". "Os atropelos que sofren as mulleres son evitables. Pódense evitar os asasinatos. Hai que educar? Por suposto. Pero agora o que temos que facer é poñerlle solución a isto que temos enriba da mesa a todo este drama", salienta. Rosa Fontaíña denuncia tamén a "dobre moral" que di ver en moitos representantes políticos: "Habería que rematar con todo ese teatro en relación a este tema. Non pode ser que os políticos, que non fan nada, que sacan leis daniñas, que non se preocupan en absoluto de como viven estas persoas, saian despois lamentando os asasinatos". "O máis urxente é que cando unha muller chega ao xulgado, esa muller necesita uns recursos para vivir e unha vivenda digna. Desde xa. Non solicitalo e agardar ás resolucións burocráticas para vivir ela e os seus fillos dun paquete de caridade" Cal é a medida máis urxente que habería que aplicar para loitar contra a violencia de xénero? "O máis urxente é que cando unha muller chega ao xulgado, esa muller necesita uns recursos para vivir e unha vivenda digna. Desde xa. Non solicitalo e agardar ás resolucións burocráticas para vivir ela e os seus fillos dun paquete de caridade", explica. "É unha vergonza o que sucede nos xuízos" -engade- "Hai mulleres que perden o traballo. Porque non todos os xefes nunha empresa privada lle deixan a unha muller ir ao xulgado un día e outro. Hai mulleres con 20 ou 30 denuncias. E, claro, acaban perdendo o traballo". O traballo diario na Rede de Mulleres "Cando chega unha muller onda nós, facémoslle unha primeira atención e miramos que precisa. Nós coñecemos historias que non sabe ninguén, porque somos quen primeiro recibimos a estas mulleres. E moitas veces as autoridade nin queren saber destas historias", explica Rosa Fontaíña. "Facilitámoslle información, se ten orde de afastamento solicitámoslle as achegas da Xunta, poñémola nunha terapia grupal para que coñeza outros casos e outras persoas", di. "Facemos un seguimento de todos os casos, colaborando cos psicólogos e mirando en cada momento que lles pode facer falta. Estamos aí" "Non as forzamos a denunciar inmediatamente, porque é a muller a que vai ter que soportar despois as consecuencias da denuncia. Hai que mirar como está a situación, se a muller está en condición de denunciar ou non, e non enganala, ten que ser consciente do que vai ter que pasar e coa axuda que vai contar. Ela ten que decidir", sinala. "Por suposto, se hai unha situación se perigo, acompañámola inmediatamente á comisaría. Acompañámolas tamén aos xulgados e aos xuízos, para que non estean soas, e para ver o trato que lles dan alí. E facemos un seguimento de todos os casos, colaborando cos psicólogos e mirando en cada momento que lles pode facer falta. Estamos aí", engade. "Temos falta de persoal, e todo é a conta do esforzo voluntario dunhas persoas que estamos aí. Non pechamos nunca. No verán tiñamos aberto de nove da mañá a nove da noite para que as mulleres puidesen achegarse a calquera hora", salienta. "A xente ten que saber o que está pasando. Que estamos facendo cos nenos e nenas? Que homes e mulleres do futuro imos ter, educados por maltratadores, por delincuentes?" Salienta igualmente os efectos que a violencia machista teñen sobre os nenos e nenas, un tema que tamén tratou Estrela Gómez Viñas (AGAMME) na xornada do Parlamento europeo. "No 2014 o 83% das mulleres que atendemos tiñan fillos e fillas, vivindo nunhas condicións moi malas", destaca Rosa Fontaíña. "Miras esas criaturas, hoxe aquí, mañá alí, o pai que as maltrata cando van con el, despois resulta que os testemuños das nais non son cribles, despois os nenos e nenas xa non saben que facer, rebélanse contra a nai, acáballe pegando", sinala. "A xente ten que saber o que está pasando. Que estamos facendo cos nenos e nenas? Que homes e mulleres do futuro imos ter, educados por maltratadores, por delincuentes?", pregúntase. "En igualdade e na loita contra a violencia de xénero estamos sufrindo un retroceso moi grande" "Parecía que avanzaramos moito, pero dende hai un tempo comezamos a perder e a perder case todo o gañado", subliña. "En igualdade e na loita contra a violencia de xénero estamos sufrindo un retroceso moi grande. Non é culpa da crise: é culpa dunhas políticas que están favorecendo a quen están favorecendo. É culpa de que falla o sistema e de que a cidadanía o acepta", di. |
NOS_43187 | Son 652 máis que en 2018. Galiza inviste só 126 euros por habitante fronte aos 150 da media de territorios do Estado. | Un total de 8.456 persoas con dereito a recibir prestacións de dependencia estaban na lista de espera a finais de 2019 na Galiza, o que supón un aumento de 652 persoas con respecto ao ano anterior (+ 8,3%). Segundo os datos do XX Ditame do Observatorio da Dependencia, Galiza rematou o ano 2019 con 61.636 persoas atendidas. Porén, hai 70.092 persoas recoñecidas con dereito a prestacións, o que produce case 8.500 persoas beneficiarias sen asistir. De feito, o informe chama a atención sobre o feito de que "todos os indicadores do sistema de dependencia na Galiza amosan un retroceso significativo con respecto á media alcanzada polo grupo de comunidades". Así, este informe dá varios exemplos da "parálise" experimentada na dependencia na Galiza en comparación coa media de territorios do Estado. Hai 1.537 novas atencións en Galiza en 2019 (ata 61.636 beneficiarios e beneficiarias), polo que soben 2,56%, lonxe do avance do 6,38% a nivel estatal. Ademais, as persoas valoradas aumentaron en 565 (ata 80.292), o que "apenas supón un aumento de 0,71% (6,09% estatal)". Así mesmo, as solicitudes soben 0,61% na Galiza, con 489 máis e alcanzan os 80.673, tamén moi por baixo do 7,46% do Estado español. O custo do sistema na Galiza supera os 478 millóns de euros, un 5,1% máis. Segundo este estudo, 76% do gasto corre a cargo da comunidade (299 millóns), mentres que 24% é polo Estado (92,4 millóns). Así mesmo, Galiza inviste só 126 euros por habitante fronte aos 150 da media de territorios do Estado. Ademais, Galiza deixou de recibir 29,2 millóns de euros "como consecuencia dos recortes" incluídos no decreto de estabilidade orzamentaria de 2012. "Con ese diñeiro poderíanse atender 5.258 novos dependentes e podería crearse 1.320 novos empregos na Galiza", afirma. |
NOS_33996 | Creou algúns dos grupos incipientes do teatro galego dos 70, actuou e dirixiu, dou o salto á TV e cinema, mais nunha esqueceu as táboas teatrais. | Faleceu Dorotea Bárcena, nada en Oviedo en 1944 como Adoración Sánchez Bárcena, aos 72 anos de idade. En 1970 abandonou a súa profesión de docente en Vigo para, canda Xulio Lago, crear Esperpento Teatro Xove, que axiña se fixo un nome no incipiente teatro galego que bulía naquela década. A propia Dorotea lembraba nunha entrevista no Faro de Vigo que "as primeiras greves en Vigo coincidiron co teatro máis vangardista". Actuou co Teatro do Atlántico, A Factoría Teatro, Centro Dramático Galego, Centro Dramático Nacional ou Teatro da Lúa (que fundaría en 1987). Tamén dirixiu. A súa carreira estendeuse ao cinema, onde participou en fimes como 'Divinas Palabras' e en series de televisión en diferentes cadeas. O seu papel de Amadora no 'Show dos Tonechos', TVG, fíxoa moi coñecida entre o público. Recibiu diversos recoñecementos e galardóns, como o premio da Crítica de Galiza no apartado de Iniciativas Culturais ou premio Agapi á mellor interpretación feminina. |
NOS_30716 | Aumenta o seu palmarés coa Copa da Raíña e a Liga Nacional | Desde a irrupción das inmensas figuras de Iván Raña e Javier Gómez Noya a principios desta centuria, o tríatlon non deixa de acumular éxitos para o deporte galego. Nesta ocasión o protagonismo caeu no Clube Tríatlon Cidade de Lugo Fluvial, que arrasou cos seus competidores tanto na Liga Nacional de Clubes masculina e feminina como na Copa da Raíña, e a piques estivo de facerse tamén coa Copa do Rei, competicións desenvolvidas todas elas na localidade andaluza de Roquetas de Mar. Ademais da entidade lucense tamén tomaron parte outros conxuntos galegos, como o Clube Olímpico de Vedra, o Tríatlon Ferrol, Arcade Inforhouse de Santiago, Clube Natación Boiro e Náutico de Narón, que alcanzou a segunda posición na Copa da Raíña, empatado cos Diablillos de Rivas Mar de Pulpi cun tempo de 1:02:18. Nesta competición, as do Cidade de Lugo Fluvial non deron ningún tipo de opción ás súas rivais, mellorando o seu tempo en 55 segundos e facéndose co prestixioso galardón por terceiro ano consecutivo grazas ao destacado papel de Sara, Saleta, Ceci, Lucía, Iria e Natalia . Na Copa do Rei non tivo tanta sorte a escuadra lucense -representada por Guillem, Kevin, Esteban, Rubén, Andrés e Xandre-, pois a vitoria nunha competición marcada pola igualdade extrema entre os contendentes recaeu na Universidade de Alacante por tan só dous segundos de vantaxe sobre os galegos. Ademais, o Cidade de Lugo Fluvial conseguiu os dous trofeos da Liga de Clubes da Federación Española de Tríatlon, tanto feminino como masculino, logo do cómputo da suma de puntos das tres últimas xornadas en cada categoría, onde chegaron cunha cómoda marxe froito do traballo ben feito en anteriores probas. |
NOS_40290 | O grupo parlamentar nacionalista solicita a súa comparecencia "urxente" após as acusacións de Feijóo, que responsabiliza ao socialista de non facilitar información sobre o estado das entidades | Feijóo culpabilizou ao Goberno presidido por Emilio Pérez Touriño de non ter achegado información sobre a situación das caixas e de ter sido advertido polo Banco de España da súa crítica situación, acusacións desmentidas ambas polo propio Touriño. O BNG non quer que a comisión se peche en falso Mais estes feitos fan necesario, ao entender do BNG, "a comparecencia urxente" ante a comisión de investigación das caixas do ex-presidente autonómico. Por iso, o grupo parlamentar nacionalista vén de presentar unha solicitude nese sentido. Novas comparecencias Mais a de Pérez Touriño non é a única comparecencia que solicita o BNG ante a comisión. Así, tamén pide que se cite a José Luis Méndez Pascual, ex-presidente da Corporación Caixagalicia, que fora solicitada ademais polos representantes das organizacións sindicais que compareceron ante a Comisión das caixas A presenza, de novo, na comisión de investigación de José Luis Méndez e Julio Fernández Gayoso. O motivo? Que con posterioridade ás súas comparecencias, "novos testemuños relativos á comercialización de participacións preferentes, indemnizacións millonarias aos directivos, e outros aspectos que afectan á situación económico-financeira das caixas", fan necesario que volvan comparecer. |
NOS_35578 | Ian Hudghton e Oriol Junqueras estarán esta fin de semana en Galiza. Hudghton, a sexta feira en Vigo. Junqueras, o sábado en Compostela. Hudghton é eurodeputado do Scottish National Party. Junqueras, o presidente de Esquerra Republicana de Catalunya. Protagonizarán senllos actos públicos organizados polo Bloque Nacionalista Galego. | Sexta feira. Vigo. 19.30 horas, no Museu Marco. Momento e lugar para Ian Hudghton (SNP) disertar sobre O proceso de independencia de Escocia, título da súa palestra. Sábado. Santiago de Compostela. 11.30 horas. Hotel Araguaney. Será a quenda de Oriol Junqueras, o líder da segunda forza en número de deputad@s do Parlament, Esquerra Republicana. A súa palestra levará o rótulo de O dereito a decidir de Catalunya. Non estarán sós. Canda eles estarán o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, e @s eurodeputad@s Ana Miranda (BNG), Jill Evans (do Plaid Cymru galés) e François Alfonsi (do Partitu di a Nazione Corsa). Quen convoca estes actos é o Bloque Nacionalista Galego nunha iniciativa de diálogo internacionalista que ten como título xenérico o de Os Procesos de Soberanía das Nacións Europeas. O BNG continúa así a intensificar a súa axenda de relacións exteriores, após os recentes contactos coa esquerda abertzale en Santiago de Compostela e con EH Bildu e ERC en Bilbo, pondo sempre no primeiro plano a reivindicación da soberanía nacional. |
PRAZA_787 | Na nosa Galicia, urxentes son o do pacto galego polo crecemento, o consenso a respecto do réxime local, o pacto polo territorio, o medio rural e o ambiente e o pacto pola lingua e pola educación. Sabermos tecer eses acordos, volvermos á idea que para gañar uns temos que gañar todos, é a chave do noso futuro económico e institucional. | As enquisas amosan con claridade que o tempo das maiorías absolutas están xa para pasar á historia. Aquelas xogadas electorais onde un 27% do censo (43-45% dos votantes) acadaba nas institucións o poder da maioría absoluta semella que van ser cousa do pasado. E teño para min que a sociedade non vai sentir mágoa ningunha por esta evolución dos tempos. As enquisas amosan con claridade que o tempo das maiorías absolutas están xa para pasar á historia As maiorías reforzadas (absoluta, tres quintos…) deseñáronse na Constitución e no Estatuto de Galicia para chegarmos a acordos, para tecer consensos. Non, de certo, para que chegase Rajoy e modulase ao seu xeito os Tribunais Constitucional e de Contas e, por vía indirecta, o Tribunal Supremo. Nin tampouco para que Feijoo puidese recortar a sanidade ou modificar o "status" do Consello de Contas dende a lexitimidade de orixe duns votos que son aptos para gobernar o día a día, mais non para modificar as regras da convivencia. Velaí o tempo apaixonante da verdadeira política. Aquela que obriga ás distintas forzas políticas e sociais renunciar parte do seu ideario e aquelar axendas transversais con outras forzas e sensibilidades Velaí o tempo apaixonante da verdadeira política. Aquela que obriga ás distintas forzas políticas e sociais renunciar parte do seu ideario e aquelar axendas transversais con outras forzas e sensibilidades. A que obriga a construír espazos de diálogo e participación, a que proscribe o "ordeno y mando". A que ve na gobernanza unha ferramenta de inclusión e cohesión social e non de división e enfrontamento, coma fixeron os últimos Gobernos conservadores e varios dos autonomeados "`progresistas". Na nosa Galicia, urxentes son o do pacto galego polo crecemento, o consenso a respecto do réxime local, o pacto polo territorio, o medio rural e o ambiente e o pacto pola lingua e pola educación Esteamos ou non de acordo, un destes exemplos é o do pacto asinado este día en Catalunya polos partidos CDC e ERC, que quixeron abranguese ás CUP e outras forzas non nacionalistas e, tamén, a organizacións sociais coma a ANC e Omnium Cultural. Porque outra das características do paradigma que vén é o protagonismo das forzas sociais e cidadás, canda as forzas políticas. Compre tecermos consensos. E, na nosa Galicia, urxentes son o do pacto galego polo crecemento, o consenso a respecto do réxime local, o pacto polo territorio, o medio rural e o ambiente e o pacto pola lingua e pola educación. Sabermos tecer eses acordos, volvermos á idea que para gañar uns temos que gañar todos, é a chave do noso futuro económico e institucional. |
PRAZA_19889 | En Galiza, como en España, é urxente chegar a un Pacto de Rendas entre as forzas do capital e o traballo no que ademais ten que participar a Xunta de Galicia –como empresario público-. Un pacto que teña como principal obxectivo que as rendas do traballo recuperen, no prazo de unha ou dúas lexislaturas, o nivel dos anos oitenta cando menos. | "E hora de subir os salarios pois resulta preciso revertela economía anémica actual e que a sociedade galega recupere poder adquisitivo" (Antón Arias, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia-CEG) Nos derradeiros tempos veñen producíndose en Galiza unha serie de pronunciamentos sobre o mercado laboral que considero de grande relevancia. Pronunciamentos que pareceran dar a entender que se vai estendendo entre os diferentes axentes sociais e políticos galegos a convición de que, como vimos repetidamente sinalando dende estas páxinas de Praza Pública, o principal problema macroeconómico de Galiza é a situación do mercado laboral (salarios, empregos). Circunstancia esta que non podemos por mais que aplaudir. Se o movemento sindical (CIG, CCCO de Galicia e UGT Galicia) leva tempo denunciando a grave realidade do mercado laboral galego, os representantes do mundo empresarial, e ao seu carón a Xunta de Galicia (PP), parecían estar satisfeitos coa situación presente (elevado desemprego, caída dos salarios) sen preocuparse da súa relación coa crise financeira e a longa recesión económica que derivou das políticas adoptadas co gallo de aquela. Pero de pronto parecera como si algo empezara a cambiar tanto na organización empresarial (CEG) como na propia Xunta de Galicia (PP), aínda que sexa moi timidamente polo de agora. Así o actual presidente da CEG (Confederación de Empresarios de Galicia), Antón Arias, daba recentemente a coñecer aos medios de comunicación a súa aposta "por subir o salarios", cualificando de modelo fracasado a reforma laboral "pois temos unha precariedade elevadísima e non somos quen de xerar emprego de calidade … non podemos ter unha economía anémica por falta de consumo". Pola súa parte o Parlamento de Galicia aprobaba, tamén recentemente, por unanimidade, é dicir co voto favorable do PP –amais de En Marea, PSdeG-PSOE e BNG-, unha moción presentada polo parlamentario Manuel Lago do grupo En Marea na que "se insta a Xunta de Galicia a tomar medidas concretas para loitar contra a desigualdade salarial e a pobreza laboral actual (…) que supón un problema global que tamén afecta a economía e a sociedade galegas e, xa que logo, combatela ten que ser un dos obxectivos explícitos na estratexia económica e laboral da Xunta de Galicia". A estas alturas xa deberan quedar poucas dúbidas de que a longa recesión que sufriu España, e con ela Galiza, non viu orixinada pola crise financeira do 2008 senón polas políticas que a continuación se adoptaron primeiro polo PSOE logo polo PP. Políticas que tiveron dos piares: o axuste fiscal e a rebaixa salarial. Cómpre, xa que logo, deterse un momento na relato do papel que a caída das rendas salariais tivo tanto na crise económica española, e galega, como na posterior recesión. E ben sabido que, en contra de tódalas evidencias, os neoliberais que nos gobernan e os seus altofalantes subliñan que os graves problemas económicos que sufrimos son como consecuencia dos elevados salarios .. dos traballadores. Ergo, o que teñen que facelos gobernos e impedir que suban os salarios, facer que baixen xa que así seremos mais competitivos e sairemos da crise. E niso están todos úfanos a pesar, repito, de tódalas evidencias en contra. A maior evidencia de que é falsa a teoría de que baixando os salarios gáñanse mais cotas de mercado é a propia evolución, nestes derradeiros anos, dos salarios e da economía en Galicia e en España. Anos nos que os salarios non pararon de caer sen que por ilo mellorara a competitividade de ámbalas dúas economías. A principios dos anos oitenta a participación dos salarios na riqueza nacional era do 62,1% en Galiza e o 65,9% en España, para a partires deses anos empezar a baixar inenterrumpidamente ata chegar aos actuais 44,1% e 47,4%. Nesta evolución descendente cabe subliñar varios aspectos: 1º. A participación dos salarios na riqueza nacional sempre estivo en Galiza por baixo da media española, 2º. España, e con ela Galiza, foi o único estado da Unión Europea no que non se produciu un crecemento real dos salarios na fase expansiva última, 3º. Este comportamento dos salarios fai que España e Galicia, estean entre os países da Unión Europea con menor participación dos salarios na riqueza nacional, manténdose claramente por baixo da media na UE: 44,1% en Galicia, 47,4% en España, e 54,2% na UE15, 4º Unha evolución negativa dos salarios galegos, e españois que non se viu acompañada de maiores cotas de mercado. Un empresario galego individualmente pode querer que na súa empresa baixen os salarios o máximo posible, pero si é un empresario listo –como parece selo Antón Arias- sabe que si tódolos empresarios galegos –inmensa maioría de pequenos e medianos- fan o mesmo caerán as súas ventas pois diminuirá a capacidade de consumo dos seus clientes que son, maioritariamente, os traballadores galegos das outras empresas. Por iso mesmo estará interesado en que os salarios deses traballadores suban o máximo posible para poder vender todo o que produce. A grande recesión, da que aínda non saímos de todo, é unha evidencia deste aparente paradoxo. A redución dos custos para mellorala competitividade non necesariamente ten que ser baixando os salarios senón que pode ser vía incrementala produtividade. Opción esta que moitos empresarios, políticos e altofalantes non contemplan. Así numerosísimas experiencias móstrannos como se pode incrementala produtividade sen baixalos salarios. Mellores formas de organización interna das empresas –horarios, ambiente laboral, -, melloras no ambiente laboral –transporte, conciliación-. Maior e mellor formación dos traballadores e emprego de sistemas informáticos tamén supoñen melloras na produtividade e, xa que logo, menores custos por produto. Para analizar o impacto real dos salarios na competitividade das empresas hai que vela súa relación coa produtividade e cos prezos o que se fai ao través dos chamados "custos laborais unitarios" –custo salarial medio que custa producir unha unidade de produto-. Unha análise que nos mostra de forma contundente como nas derradeiras décadas a suba destes custos en Galiza e en España ten máis que ver coa suba nos prezos dos produtos que cos salarios dos traballadores. Para reducir os custos laborais unitarios, en Galiza e en España, hai, xa que logo, que intervir nos prezos. Uns prezos que veñen determinados polas grandes empresas oligopolísticas que dominan os mercados e impoñen os prezos que lles interesan. Son estas grandes empresas –que, co beneplácito gobernamental, soben os prezos cando e como lles da a gana- as que provocan, en Galiza e en España, perdas na competitividade e non os salarios dos traballadores. Velaí que no caso dos "custos laborais unitarios reais" España, é con ela Galiza, estea a cabeza de Europa na redución dos mesmos. Estas evidencias deberan ser suficientes para rexeitar definitivamente o dogma neoliberal sobre os salarios e a competitividade xa que nos leva de recesión en recesión. Se analizamos con rigor as causas da, polo de agora, derradeira recesión veremos como o crecemento das rendas de capital a costa da caída dos salarios reais desempeñou un papel fundamental na explosión da crise financeira que a precedeu. A caída dos salarios trouxo como consecuencia unha enorme debilidade da demanda privada e un crecemento exponencial da débeda tamén privada. Un endebedamento estimulado pola abondosa liquidez derivada da existencia do euro pero que rematou creando unha enorme burbulla. Unha burbulla que como todas acabou estoupando e dando lugar a crise financeira. Crise financeira que tratada con políticas anticíclicas de austeridade fiscal e rebaixa salarial transformouse nunha longa recesión. Longa recesión que se apoiou, e tivo como consecuencia, que se seguira disparando a diferenza entre as rendas do traballo e as do capital (Vicenç Navarro: "Ataque a la democracia y al benestar". Editorial Anagrama). Feitos obxectivos que poñen en evidencia a urxente necesidade de cambiar esta dinámica de rendas e proceder a estimular o crecemento dos salarios e a creación de emprego para así recuperar o poder adquisitivo, como ben di Antón Arias, e con el a enormemente debilitada demanda. Velaí a oportunidade e a xusteza da interpelación que ven de presentar no Parlamento galego o grupo En Marea. En Galiza, como en España, é urxente chegar a un Pacto de Rendas entre as forzas do capital –CEG- e o traballo –CIG, CCOO de Galiza, UGT Galiza- no que ademais ten que participar a Xunta de Galicia –como empresario público-. Un pacto que teña como principal obxectivo que as rendas do traballo recuperen, no prazo de unha ou dúas lexislaturas, o nivel dos anos oitenta cando menos. |
PRAZA_4652 | Desde que o PP recuperou o goberno en 2009, hai 164.000 ocupados menos, incrementouse en vinte puntos a taxa de desemprego xuvenil e dobrouse o número de fogares no que todos os seus membros activos están parados. | Máis paro, máis pobreza, máis emigración e moito menos futuro. A crise bateu duro na Galicia da era Feijóo, malia que o presidente segue a presumir de plus de resistencia e diferenciais positivos dos que case non queda nada. Desde a volta ao poder da dereita do PP en marzo de 2009, os datos do mercado laboral galego non fixeron máis que empeorar, tamén en comparación cos do Estado. "Os españois asinarían ter a taxa de paro que hai hoxe en Galicia a finais de 2015", dixo o xefe do Executivo galego logo de coñecerse os últimos datos da EPA que revelan que o país destruíu case 40.000 empregos no pasado ano, que é das poucas comunidades onde segue a subir o paro, que é a que ten a a segunda peor taxa de actividade do Estado ou que segue a sufrir unha masiva emigración da súa mocidade. Pero a Xunta segue a presumir de cumprir coas súas previsións malia considerar "inadmisible" o desemprego. A taxa de paro medrou en case dez puntos en Galicia desde a chegada de Feijóo ao poder (do 12,4% ao 22%) "Chegou o momento de frear as listas do paro", dicía un dos lemas do PPdeG de cara ás eleccións autonómicas de 2009, onde Feijóo venceu con maioría absoluta. Un trimestre despois da súa chegada ao poder, a taxa de desemprego en Galicia era do 12,4%. Desde aquela e até agora -catro anos e tres meses despois- a taxa de paro creceu en case dez puntos, até o 22% actual, e o número de desempregados aumentou en 115.600 persoas, desde os 162.200 parados daquel terceiro trimestre de 2009 até os 277.800 que revelan os últimos datos da EPA debullados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Malia que as cifras son mellores cá media estatal, ese diferencial positivo redúcese en cada un dos datos analizados. Na segunda parte de 2009, Galicia tiña unha taxa de desemprego case seis puntos melllor que a do conxunto de España (12,4% fronte ao 18,25%). Agora, esa diferenza é tan só de catro puntos (22% fronte ao 26%). Se nos fixamos nos parados de longa duración -os que levan doce ou máis meses na procura de emprego-, hai catro anos a taxa situábase no 3,3%, fronte ao 11,1% da actualidade. A Galicia de Feijóo ten 115.000 parados máis e conta con 164.000 ocupados menos Porque Galicia destruíu masivamente emprego durante as dúas lexislaturas -unha rematada e outra camiño do seu ecuador- nas que Feijóo leva exercendo de presidente. Se foron máis de 115.000 os parados que se engadiron ás listas o número de ocupados descendeu en 163.800 persoas, dos 1.151.100 do terceiro trimestre de 2009 aos 987.300 de agora. Menos dun millón de cidadáns que traballan e que sosteñen máis dun millón de persoas entre os desempregados e os pensionistas. O número de activos, de feito, descendeu en case 50.000 persoas (48.200). Mil activos menos por cada mes. Un milleiro de persoas que abandonan o mercado laboral para buscar futuro na emigración ou por desesperación. É a taxa de ocupación unha das que amosa con maior crueldade o drama da falta de emprego e futuro en Galicia, ao descender en case seis puntos nestes catro anos e pico. Do 48,3% ao 42,4% da última EPA, mentres que a taxa de actividade sitúase agora no 54,3%, sendo a segunda peor de todas as comunidades autónomas e cinco puntos inferior á do Estado. Agora hai 50.000 fogares máis con todos os seus membros en paro que a metade de 2009 En canto aos fogares con todos os seus membros en paro, a cifra é tamén contundente. Desde que Feijóo chegou á presidencia da Xunta, hai 50.000 vivendas máis nas que ninguén dos seus habitantes traballa. En total, 92.800, fronte aos 44.500 do terceiro trimestre de 2009, máis do dobre que daquela. Elevado paro xuvenil No entanto, non hai peores cifras que as que se tiran da análise da evolución do desemprego da mocidade nestes últimos anos. Desde a chegada de Feijóo a San Caetano, hai case 100.000 mozos ocupados menos (95.900), ao pasar dos 216.200 menores de 25 anos a metade de 2009 aos 120.300 da actualidade. A taxa de ocupación nesta franxa de idade é a que máis preocupa. No último trimestre de 2013 era de tan só o 16,6%, practicamente a metade que hai pouco máis de catro anos, cando se situaba no 32,4%. A taxa de ocupación da mocidade baixou á metade; hai 100.000 mozos ocupados menos desde que Feijóo goberna Ademais, a taxa de paro xuvenil aumentou en case 20 puntos, do 31,4% daquela ao 50,7% de hoxe en día, mentres que a taxa de actividade, pola súa banda, descendeu en case quince puntos, do 47,2% ao 33,7%. Un contexto laboral que expulsou milleiros de mozos galegos á emigración. Segundo o INE, 13.000 persoas abandonaron Galicia no primeiro trimestre de 2013. Son as últimas estatísticas dun éxodo que, polo momento, non parou. |
NOS_27310 | O Complexo de Atención a Persoas Dependentes do Meixoeiro alberga 450 residentes. Familiares das usuarias e usuarios aseguran que a falta de mobilidade e contacto durante o confinamento deteriorou a súa saúde e lamentan que co novo protocolo de visitas hai maiores que non poden saír do recinto. Reclaman á Administración galega máis profesionais para reverter o seu empeoramento. | "Os medios de comunicación dan conta dos problemas das residencias privadas, pero hai que explicar tamén os dos centros públicos". Quen fala é Eduardo Ruanova, fillo dunha usuaria do Complexo Residencial de Atención a Persoas Dependentes (CRAPD) de Meixoeiro, dependente da Consellaría de Política Social e localizado no concello de Vigo. Os problemas aos que se refire pasan, segundo as familias doutras e doutros residentes, polas escaseza persoal especializado para atendelos. O complexo está dividido en dous centros, o Vigo I e mais o Vigo II que suman 450 prazas. A comezos do mes de abril, unha Técnico de Coidados Auxiliares Enfermería relatou a Nós Diario que se rexistraron baixas entre o persoal polos altos niveis de estrés no inicio da pandemia do coronavirus. Daquela permanecían no centro 15 residentes contaxiados, que evolucionaron a un total de 18 máis adiante. Tras superar "os problemas do principio" de abastecemento de material contaban xa co "necesario". Porén, o medo entre residentes era moi alto. As familias, apunta Ruanova, apenas mantiveron o contacto cos residentes. "Nese tempo falei nun par de ocasións coa médica que atende a miña nai e con ela fixes tres videochamadas, máis nada", afirma. "Durante os meses do confinamento os usuarios non saíron do centro co conseguinte deterioro físico. A pesar disto, non aumentaron as horas do servizo de fisioterapia. Tampouco contan cun profesional de medicina especializado en xeriatría", acrecenta Ruanova, salientando que as queixas foron remitidas á dirección do centro con escasos resultados. Despois de declararse libre da Covid-19 a comezos de setembro nun cribado , o CRAPD I e mais o CRAPD II rexistraron contaxios entre o persoal. A día de hoxe hai dous profesionais con coronavirus no primeiro e outro no segundo. Acompañamento familiar Reactivado o réxime de visitas, Ruanova comprobou como os paseos ao aire libre ao seu carón contribuíron a mellorar a saúde de súa nai. "Agora o rexime de visitas volveu mudar e xa no poden saír do centro, nós temos que falar con ela a distancia e non a podemos tocar", dóese. O motivo aducido pola directiva foi evitar contaxios. "Pero polos dados nós sabemos que moitas veces é o persoal quen, obviamente sen querelo, contaxia aos residentes", valora el. Tanto Ruanova como outros familiares trasladaron a súa preocupación á directiva da residencia polos residentes da primeira e segunda planta que non poden saír do interior do centro. "Tamén presentamos denuncias ante a inspección médica, pero acumulamos moitos correos electrónicos que din que as queixas serán atendidas e ningunha resposta máis", di. A semana pasada decidiron reunirse con representantes do BNG. A deputada na Cámara galega Alexandra Fernández e mais o concelleiro do BNG por Vigo, Xabier Pérez Igrexas, achegáronse até as portas do CRAPD de Meixoeiro. "O que nos explicaron é duro, estamos a falar de residentes que pasaron meses nos seus cuartos ou no centro, sen poder saír ao recinto", explica o segundo, que ademais da falta de xeriatra ou de horas de fisioterapia alude á necesidade de contar con máis profesionais de terapia ocupacional ou logopedia. A representante do BNG no Pazo do Hórreo trasladou ás familias que preguntará pola situación deste centro público. "Cómpre reforzar o persoal para brindar a atención que as nosas persoas maiores e as súas familias merecen, sobre todo nun contexto tan complexo como o de pandemia", defendeu nun comunicado. "A Xunta da Galiza é perfectamente coñecedora desta situación porque nos consta que as familias teñen rexistrado numerosas queixas mais non se teñen acometido cambios", engade Xabier Pérez Igrexas |
NOS_38259 | Marco Maril é un convite sempre a abrir os oídos. Xa fose naqueles 90 de velocidade e urxencia (Fulsomes) como cando nos convidou ao pop experimental e elegante (Dar Ful Ful). Un bo facer que mantén no seu actual proxecto, Apenino, facturando un pop electrónico e intimista que en 2014 regalou toda unha pequena xoia para a música en galego, 'Viravolta'. | "É un disco que dentro duns anos terá un recoñecemento moi grande, vai ser un disco de culto". Marco Maril non oculta o seu querer e admiración por Fluzo, o proxecto de Hevi (Malandrómeda, Non Residentz) e Javier Álvarez (entre moitas outras cousas, co-responsábel do 'Sr. Anido & Sra. Álvarez') que en 2010 gravou un traballo imprescindíbel. "Nese disco hai unha mistura de moitas cousas: hip hop, rock, cultura popular..." argumenta Marco Maril para Álbums de Aquí e de Acolá. "Colleron en certo xeito o relevo dos Resentidos e levárono un paso máis alá". Destaca o músico compostelán residente en Vigo a forza dos seus veciños da capital galega. "As referencias, a forma de empregar o galego... É un disco punk, un disco hip hop, é un disco que o ten todo", subliña, ao tempo que recoñece que "a primeira vez que o escoitei flipei". Preguntado por un disco internacional, Marco Maril sinala todo un clásico, 'Velvet Undergrond & Nico' (1967), o célebre 'Banana Cover'. "É un grupo e sobre todo neste disco que é unha referencia que logo se empregou para construír a maior parte das cousas que me molan ou inflúen". 11 temas e 48 minutos nos que se condensa un tratado seminal do rock sen o que non se poden entender o que foi e o que pasou musicalmente nestas cinco décadas. O disco de debut máis influínte da historia do rock. Na súa saída non foi ningún éxito comercial, apenas vendeu mais do que se di que todas aquelas persoas que o mercaron acabaron montando un grupo. "Se grupos como Sonic Youth existiron foi en 90% porque houbo Velvet", afirma Apenino ao tempo que destaca que a influencia da escuadra de Lou Reed e Jhon Cale estendeuse moito máis alá que nos grupos de guitarras e ruído e callou tamén noutras latitudes musicais, como nas que navegaban coetáneos como David Bowie. |
NOS_490 | A taxa de positividade sitúase por baixo do 4%. | Os pacientes con Covid-19 ingresados en hospitais da Galiza descenderon en 39, seis deles menos en UCI e 33 menos noutras unidades de hospitalización. Ademais de aliviarse a presión hospitalaria, baixan os casos activos en 794 até os 18.452 e os contaxios diarios mantéñense no medio milleiro -582, deles 489 confirmados por PCR nas últimas 24 horas-. Así figura nos datos publicados na mañá desta terza feira pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18:00 horas de onte, nos que se reflicte que os pacientes con coronavirus en UCI baixan a 248 -seis menos que a xornada anterior- e os hospitalizados noutras unidades descenden a 1.030 -o que supón 33 menos-. Por áreas sanitarias, o maior descenso de hospitalizados corresponde á de Santiago e Barbanza, onde baixan a 45 os pacientes en UCI -dous menos- e a 123 os que permanecen con Covid noutras unidades -dez menos-; mentres que na da Coruña e Cee, aínda que soben nun os ingresados en críticos até os 86, descenden a 276 os que están noutras unidades -11 menos-. Tamén o distrito sanitario de Ourense presenta unha redución de dez pacientes en unidades de hospitalización convencionais (151), mentres que os ingresados con Covid en UCI mantéñense sen cambios en 20; na de Vigo seguen en 29 os críticos e descenden a 139 os doutras unidades -seis menos-; mentres que na de Pontevedra e O Salnés caen nun os de UCI -e colócanse en 20- e redúcense nun até os 110 os doutras unidades. Pola súa banda, a área de Lugo é a que presenta un maior descenso de pacientes en UCI, con catro menos, e colócase con 26 pacientes; pero ten un incremento de catro nos hospitalizados con Covid noutras unidades (72). E na de Ferrol, as persoas con coronavirus en críticos baixan nunha até as 22, pero soben a 159 os doutras unidades -unha máis-. Casos e contaxios Os casos activos de Covid na Galiza descenderon até os 18.452, o que supón 794 menos. O maior descenso correspondeu á área de Santiago e Barbanza, con 208 menos -ten 2.724-; seguida da de Pontevedra e O Salnés, con 178 menos -2.305-; a de Vigo, con 134 menos - 3.012-; a de Ourense, con 105 menos -conta con 1.991-; a de Ferrol, con 65 menos -1.596-; a da Coruña e Cee, onde baixan en 58 até os 5.103; e a de Lugo, onde caen en 46 até os 1.721. Pola súa banda, os contaxios diarios detectados con diferentes tipos de probas mantéñense no medio milleiro como a xornada pasada, ao sumar 582, dos que, 489 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Deses 489 positivos, 172 foron na área da Coruña; 81 na de Vigo; 78 na de Pontevedra; 45 na de Santiago; 41 na de Lugo; 38 na de Ferrol e 34 na de Ourense. En canto á taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- caeu a un 3,6%, despois de baixar a un 4% na xornada anterior e situarse por primeira vez desde o 24 de decembro Galicia por baixo do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia. As vítimas mortais con Covid durante a pandemia en Galicia aumentaron a 1.988 após notificar nas últimas horas Sanidade o falecemento de 21 persoas. |
PRAZA_20686 | Timbila Muzimba, Carlos Santiago, Pepe Sendón, Uxía, Jabier Muguruza ou Guadi Galego actuarán nunha noite na que tamén haberá presenza destacada do mundo do teatro galego. Será na Praza da Quintana o 30 de agosto. | "Cidade incompleta, faro errante, Santiago. Para nós, e somos moitas e moitos, a cidade séntese hoxe de certo incompleta sen a persoal luz de Fran Pérez, Narf. Fóisenos un dos máis prezados tesouros da nosa memoria vital e artística nesta cidade. Sen el, a nosa vida aquí tería sido outra cousa. As pontes que tendeu no mundo musical son agora motivo de aprecio e celebración. As homenaxes sucédense, a súa pegada lémbrase e hónrase nos lugares máis insospeitados. Por iso, a pesar da mágoa que iso supón, vai sendo hora de que esta cidade tamén o honre e o celebre". O Festival Feito a Man (no que Narf tivo unha presenza permanente desde os seus inicios) organiza un concerto-tributo ao moi querido músico compostelán, finado o pasado mes de novembro. O espectáculo, que terá lugar o 30 de agosto na Praza da Quintana de Santiago, contará coa participación dunha trintena de artistas de Mozambique, Portugal, Euskadi, Inglaterra e, por suposto, Galicia. O espectáculo, que terá lugar o 30 de agosto na Praza da Quintana, contará coa participación dunha trintena de artistas de Mozambique, Portugal, Euskadi, Inglaterra e, por suposto, Galicia Esta festa musical (pero na que haberá tamén unha presenza destacada do mundo do teatro galego) pretende, por unha banda, ofrecer unha panorámica significativa da súa música e, por outra, reunir na súa memoria non só os compañeiros e colectivos que compartiron camiño con el en Santiago, senón tamén amigos e artistas fundamentais no seu traballo. O concerto, que está dirixido musicalmente por Marcos Teira, terá unha banda base e logo os convidados e convidadas irán interpretando temas do músico compostelán. Entre os artistas participantes poderemos ver a Timbila Muzimba, a banda mozambicana coa que compartiu o seu último proxecto; Carlos Santiago e Pepe Sendón, compañeiros na Psicofónica de Conxo e en Nicho Varullo; Uxía, con quen publicou o disco As baladas da Galiza imaxinaria; o vasco Jabier Muguruza, parceiro no proxecto Mundo café; e moitos outros como Xabier Olite, Guadi Galego, Espiño, Jim Sanders, e outros. Ademais, participará Manolo Cortés, de Chévere, compañía da que formou parte nos seus primeiros tempos; As Marías (María Bouzas e María Pujalte); Mofa e Befa; e Quico Cadaval. "As homenaxes sucédense, a súa pegada lémbrase e hónrase nos lugares máis insospeitados. Por iso, a pesar da mágoa que iso supón, vai sendo hora de que esta cidade tamén o honre e o celebre" "Abriu camiños desde mozo no rock local, cando a música xuvenil ao vivo aínda era unha sorpresa nesta cidade. Abriu camiños na integración significativa da música nas artes escénicas e nas sinerxias que alimentaron o fenómeno das salas alternativas autoxestionadas. Abriu camiños inéditos para quen quere facer da música profesión desde a independencia e a integridade. Abriu camiños para a conformación da escena musical local como hoxe a coñecemos e abriunos tamén cara o exterior, propiciando encontros inauditos coa música do mundo, encetando vieiros inexplorados. E todo cunha personalidade única de irrenunciable orixinalidade", destacan dende a organización do festival, que con este concerto porá fin a un mes de actividades, en marcha dende o pasado 3 de agosto. |
NOS_17887 | No seu blog, o líder que levou a Izquierda Unida a presentarse en coligación co PSOE de Almunia, nas xerais de 2000, afirma que "en España non hai colonias" e que a "independencia e o independentismo ao único que contribúen é a dividir máis as clases traballadoras e populares na procura de quimeras absurdas". | Francisco Frutos sempre se caracterizou na súa práctica política -primeiro ao fronte do PSUC, logo do PCE- pola súa hostilidade co nacionalismo. Tamén por criticar acedamente ao PSOE, ao que, na liña anguitista, situaba na mesma beira que o PP, o que, porén, non lle impediu pactar listaxes conxuntas con Almunia nas eleccións xerais. A coligación foi un desastre, IU perdeu 13 deputad@s e Aznar obtivo unha cómoda maioría absoluta. O 24 de Outubro de 2013, o antecesor de José Luis Centella ao frente da secretaría xeral do PCE publicou unha entrada no seu blogue co título de "Catalunya, o nacionalismo, o independentismo e a esquerda". No post, Frutos comeza por criticar a esquerda catalá -e tamén ao PSC, ao que sitúa no "centro social liberal"- por desenvolver un papel "subsidario do nacionalismo, por non dicer servil a este". O dirixente do PCE bate a seguir contra o nacionalismo como ideoloxía. "O nacionalismo, na súa xénese, é unha reacción do mundo máis rural e primitivo fronte o desenvolvimento urbano, técnico, laboral e social". En realidade, non é o nacionalismo unha elaboración política racional, senón "un sentimento" que recollería "o máis primario da sociedade rural, sexa no plano económico, social ou relixioso". Frutos entra aínda en conversa cun leitor do seu blogue, que se identifica co nome de Breogán e que o interpelaba sobre o que pensa de AGE Dese primitivismo o nacionalismo emerxe, segundo Frutos, para se tornar "nunha especie de nova fe, que arrinca da vella superstición e se converte nun sentido colectivo". Para Frutos, o nacionalismo fabula co "pasado glorioso dun pobo e dun pasado inexistentes" e apresenta o que cualifica de "loitas históricas polo poder", entre elas 1714, a derrota de Catalunya na guerra de secesión, como "loitas contra un pobo ancestral" que gozaría dun "pensamento único, macizo e eterno, sen clases nen intereses antagónicos". Critica Frutos as actuais direccións do PCE e "sobre todo" de IU pola súa actitude ante o nacionalismo: "Deberían ter actuado hai tempo doutra maneira a como o fixeron, e non repetindo vellas e valeiras consignas sobre o dereito de autodeterminación, fóra do contexto histórico en que foron pronunciadas e erráticas na definición dos suxeitos que sustentan este dereito". Debate sobre Anova Frutos entra aínda en conversa cun leitor do seu blogue, que se identifica co nome de Breogán e que o interpelaba sobre o que pensa de AGE ("hai unha parte que somos independentistas e iso non nos fai menos internacionalistas que ninguén", lle dicía). A resposta de Frutos é no mínimo tallante: "En España non hai colonias. Non coincido para nada con independencia e independentistas que ao único que contribúen é a dividir máis as clases traballadoras e populares en procura de quimeras absurdas". |
NOS_20131 | As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) están chamadas na Galiza a unha folga indefinida a partir de 2 de novembro. A protesta convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) busca melloras nas condicións laborais do colectivo. | A melloras das condicións laborais das traballadores do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) esta detrás da convocatoria de folga. A CIG denuncia que "a precariedade e escaso recoñecemento social marcan o día a día das traballadoras que prestan un labor básico para centos de persoas en toda Galiza como é servizo de axuda no fogar". A CIG prepara unha folga indefinida a partir de 2 de novembro. O seu obxectivo é garantir subas salariais que manteñan o poder adquisitivo e impedir " unha dobre escala salarial que suporá unha discriminación en función do concello no que se traballe e aboca ás traballadoras á precariedade e a pobreza". Subas salariais O sindicato nacionalista indica que "cun convenio sen actualizar desde 2011 e tras as situacións dramáticas vividas durante a pandemia, a patronal non só pretende consolidar esta precariedade non garantindo sequera o mantemento do poder adquisitivo cunhas subas salariais acordes ao IPC, senón que incluso busca crear unha dobre escala salarial con dúas táboas diferenciadas en función de cando se liciten os contratos". A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández denunciano preacordo asinado entre a patronal do sector e os sindicatos UGT e CCOO. A sindicalista entende que "contempla subas de miseria e discriminatorias a cambio, ademais, de eliminar a cláusula de revisión ligada ao IPC real". Transi Fernández explica que "ás traballadoras dun concello no que non se vai sacar o novo concurso até dentro de dous anos, se lles apliquen incrementos salariais de 1% en 2023 e doutro 1% en 2024, mentres que as traballadoras do concello do lado, onde liciten este ano, van ter incrementos de 3,15% en 2023 e de 3,15% en 2024". Poder adquisitivo Fernández lembra que "que o actual convenio recolle unha cláusula de actualización dos salarios en base ao IPC, que se aplicará de maneira automática mentres non se asine un novo convenio". A CIG advirte que "as traballadoras do SAF levan anos padecendo condicións laborais de absoluta precariedade, cunhas elevadas taxas de parcialidade, sen que se lle respecten os seus dereitos e mesmo subvencionando parte do servizo, xa que, por exemplo, son elas as que poñen os seus vehículos particulares para trasladarse dun domicilio a outro". O sindicato lamenta que "no preacordo asinado só se recolle incrementar dos actuais 0,19cts/km a 0,22 céntimos por quilómetro os gastos de combustíbel durante todo o período de vixencia do convenio, isto é, até 2026. Unha compensación "miserenta" para traballadoras con baixos salarios". |
NOS_46927 | "Como nós queiramos e o tempo que aguantemos". Esas son as normas da lectura colectiva de textos de Roberto Vidal Bolaño convocada para o venres 3 de maio en Compostela, diante da estatua do seu admirado Valle Inclán. | Na Ferradura de Compostela descansa en bronce a imaxe dun barbado Valle Inclán sentado nun dos seus bancos. A figura éralle apreciada a Roberto Vidal Bolaño e, por iso, ao seu entorno se achegarán o venres 3 de maio ás 20 horas ás lectoras e lectores que queiran darlle voz aos seus textos. "Pode vir quen queira e ler os textos que lle veña a ben" di a convocatoria que difunde a Edicións Positivas, o selo editorial que está a publicar a obra completa do autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Positivas vén de distribuir en librarías o segundo dos seis volumes que comporán a obra completa. Desta volta recóllense as obras Mar revolto, A burla do galo, Doentes, As actas escuras, Días sen gloria e Agasallo de sombras. Cinco dos seis volumes dedicaranse á obra dramática mentres o sexto recollerá textos de pensamento e materiais do seu traballo audiovisual. "Os personaxes e mundos recoñecíbeis por todos, e que aparecen aquí, fan destes títulos unhas alfaias da literatura galega. E axudana considerarmos a Vidal Bolaño un dos grande escritoras da literatura galega" din os editores. |
PRAZA_1481 | Grecia volve pasar unha semana complexa. Tras tres meses de negociacións frustradas os ministros de Finanzas, e despois deles os xefes de Estado, recollen a responsabilidade de tratar cos helenos que, á súa vez, queren que o FMI quede fóra. Dous economistas, Gonzalo Rodríguez e Francisco Lores, dan a súa visión da situación. | Grecia volve encarar outra xornada decisiva. O Executivo de Tsipras agarda o veredicto dos acredores e socios do euro ao novo programa de reformas. Polo medio, un ronsel de 5 meses de frustración ante as negativas sempiternas de Bruxelas nas negociacións. Ao fracasar todas as conversas ata o de agora, serán os ministros de Finanzas da eurozona e despois os xefes de estado , quen ditaminen se a oferta helena é abondo Na xornada do domingo os negociadores gregos sentaron cos acredores para achegar posturas. Ao fracasar todas as conversas ata o de agora, serán os ministros de Finanzas da eurozona e despois os xefes de estado , quen ditaminen se a oferta helena é abondo ou se, eventualmente, deben preparar unha saída de Grecia da moeda común. A priori, o holandés Jeroen Dijsselbloem, en rolda de prensa afirmou que a prosposta grega era moi positiva, aínda que está á espera dunha análise máis completa do FMI, o BCE e a Comisión Europea. As liñas vermellas helenas Antes da reunión Tsipras falou por teléfono cos seus homólogos, a chanceler Ángela Merkel e o francés François Hollande e co presidente da comisión europea Jean Claude Juncker. A oficina de Tsipras informaba, nun comunicado que o primeiro ministro presentara aos tres líderes a proposta de Grecia para "un acordo mutuamente beneficioso que brinde unha solución definitiva e non pospoña abordar o problema". Así, o xefe do Executivo accedeu a ceder nalgunhas das súas liñas vermellas e aceptaría converxer en torno ao obxectivo de superávit, suprimir a xubilación anticipada, recortar as pensións complementarias máis altas e subir o IVE nalgúns produtos ou servizos. O profesor do departamento de Economía Aplicada da USC, Gonzalo Rodríguez cre que as cesións que pon enriba da mesa Tsipras "seguramente son un camiño posible dada a presión da Troika e o elevado grado de incertidume que se derivaría da saída de Grecia da UE (non existe mecanismo de saída do Euro)". Ao fío disto matiza que "o momento é inadecuado, sobre todo para a subida do IVE, dado que isto vai provocar un sacrificio elevado a todas aquelas rendas (xa moi numerosas en Grecia) que están baixo ou próximas ao limiar da pobreza". Rodríguez afirma que " xa non é que reduza o consumo é que induce a unha crise humanitaria". Sobre as posibilidade de xubilación anticipada cre que precisa "ser limitada" pero que é preciso saber se "o aumento das xubilacións anticipadas se debe a brutal incertidume que provoca a falta de confianza dos empregados no mantemento dos seus postos de traballo ou na preservación a futuro do dereito á xubilación". "A subida do IVE vai provocar un sacrificio elevado a todas aquelas rendas que están baixo ou próximas ao limiar da pobreza" O profesor Francisco Lores, do departamento Fundamentos da Análise Económica cre que "nin as esixencias de Bruxelas nin as propostas de Tsipras son boas para o benestar dos gregos". Lores afonda nisto e explica que "Bruxelas representa unha parte dos acredores. Aos acredores só lles interesa cobrar, o benestar dos gregos preocúpalles na medida que un maior crecemento económico grego (bo para os gregos) facilita que a UE recupere o emprestado". Ao fío disto engade que "debería ser Tsipras quen se preocupe polo benestar dos gregos pero as súas pretensións de endebedarse máis para volver dilapidar os recursos ou saír do euro tampouco favorece o benestar dos gregos. Se cadra, Tsipras viu vir isto e correu a recuperar a TV pública para poder facer fronte ao descontento". "Nin as esixencias de Bruxelas nin as propostas de Tsipras son boas para o benestar dos gregos" Grecia comprométese a aforrar 4.500 millóns de euros cada ano, tal como esixe a Troika. Por certo, o que tamén está enriba da mesa é o papel do FMI nas negociacións. O goberno heleno quere ao organismo dirixido por Christine Lagarde fóra das negociacións. "O comportamento de Bruxelas é intolerable en termos políticos, éticos e institucionais", afirma Rodríguez. "Expresións como para avanzar necesitamos adultos en la sala, pronunciada por Christine Lagarde, constitúen unha falla de respecto a un país soberano e igual que non poden ser aceptable a ninguén que se teña por demócrata". Nesta liña o profesor universitario afirma que o "comportamento da Troika é o dun señor feudal que quere cobrar o seu tributo independentemente de cal fora a colleita". "O comportamento de Bruxelas é intolerable en termos políticos, éticos e institucionais" Para Lores "os acredores estranxeiros do goberno grego son varios consorcios de gobernos: UE, BCE e FMI. Xa non ten acredores privados estranxeiros, estes xa sufriron perdas no anterior rescate e non é previsibel que volva ter acredores privados estranxeiros durante un longo período, visto o visto". Economía ou política? Tsipras sinala a miúdo que o problema cos socios non é económico, senón político, Lores di que "non son problemas políticos senón económicos. Por unha banda, os acredores tratan de cobrar a maior parte do emprestado ao goberno grego e garantir que cobrarán o novo empréstito que os helenos solicitan agora". O profesor engade que "os acredores saben que se a economía grega non empeza a medrar a taxas de crecemento superiores ás realizadas nas últimas décadas non vai ser viable que o goberno grego devolva toda a súa débeda e dentro duns poucos anos o goberno volverá pedir un novo empréstito, e así sucesivamente". "Como os acredores non teñen expectativas de que a economía grega vaia medrar suficiente", razoa Lores, "só lles queda garantirse que os déficits helenos nos vindeiros anos sexan o máis pequenos posibles, e isto supón recortes do gasto público grego". Engade que pola outra banda, o goberno grego "quere ter fondos suficientes para gastar e cumprir as promesas que lle fixo aos cidadáns, pagar a débeda non é un obxectivo do goberno de Tsipras". "Un pide emprestado para gastar e os outros queren cobrar, nin máis nin menos", resume. "Un pide emprestado para gastar e os outros queren cobrar, nin máis nin menos" Rodríguez cre que a diagnose do executivo grego "é que o país e insolvente e é correcto. Se o país é insolvente temos dúas opcións: a liquidación, que é, en esencia o que propón a Troika, como se os cidadáns foran un ben co que se puidera comerciar, ou recuperar o crecemento e pagar a longo prazo, que foi o que se fixo con Europa despois da II Guerra Mundial. Esta segunda é a opción do Goberno grego. ¿Parece unha toleada? Eu non o creo". Pola súa banda, Lores sinala que o mellor serían "medidas que estimulen claramente o crecemento económico para que se reduza o nivel de endebedamento. Grecia ten algunhas das cotizacións sociais e impostos de sociedades máis altos de Europa. Grecia está entre os peores países en canto a facilidades para crear emprego e empresas do mundo segundo o Doing Business do Banco Mundial. Grecia ten índices de competitividade tamén baixísimos", enumera. "As medidas que debería propoñer o goberno grego deberían estar encamiñadas a mellorar isto e non é o caso. Semella máis que dilapidan os sucesivos rescates e pospoñen as reformas", conclúe. Ninguén quere dar o brazo a torcer no pulso ideolóxico dos socios da eurozona co Goberno de Syriza. Berlín e Atenas pasan a pelota dun tellado a outro, para que a bomba non estoure no propio en caso dun accidente financeiro. Varoufakis xa lle deixou recado a Merkel: "Ou pecha un acordo honorable ou escoita os cantos de serea de quen a anima a tirarnos pola borda. Moito me temos que a elección é súa". De momento, os bancos gregos, no límite da quebra, confían na vontade do BCE que hoxe decidiu manterlles a respiración asistida ao aprobar, por terceira vez en seis días, a provisión urxente de liquidez para eles. Mentres tanto, en Grecia, os cidadáns volveron manifestarse para darlle o seu apoio a Tsipras e nas enquisas medran os que son partidarios de volver ao dracma. Sobre a posibilidade da saída do euro Lores cre que lle permitiría ao goberno impagar a débeda e expropiar aos cidadans gregos máis recursos coa emisión de nova moeda". Engade que non lle gustaría "estar no pelexo dun cidadán grego, e se fora grego tería os meus aforros en euros lonxe de Grecia". "O problema da actual débeda resolveríase para Grecia pero ficaría o problema dos déficits", explica. "Unha economía con baixo crecemento e un goberno sen financiamento internacional tería que espremer a riqueza dos gregos para seguir gastando máis do que ingresa", afirma. "Non me gustaría estar no pelexo dun grego, e se o estivese, tería os meus aforros en euros lonxe de Grecia" Polo seu lado, Rodríguez sostén que "sair do euro supón un proceso no que o alcance da teoría económica é, en realidade, moi limitado para predicir os resultados. A experiencia real sobre casos de abandono dunha unión monetaria son prácticamente nulos, a maioría deles vinculados a procesos de descolonización nos 70". "No caso grego os ingresos por turismo (ao devaliar a moeda o destino seria máis competitivo) e o eventual crecemento industrial terían que compensar a elevada inflación que se produciría e, por tanto, o emprego no turismo e na industria tería que compensar o incremento do custo da vida derivado a inflación", expón. "Saír do euro supón un proceso no que o alcance da teoría económica é, en realidade, moi limitado para predicir os resultados" Ao fío disto engade que "permanecer no Euro vai a seguir supoñendo tipos de interés baixos que favorecen ao sector financeiro e actividades especulativas, fronte ao investimento productivo de modo que sen unha reforma de Europa a viabilidade dos países do sur dentro dela semella tamén complicada". |
NOS_57061 | As autoridades dos EUA, Alemaña, Reino Unido, Canadá, Israel e Bulgaria declararon o 'código vermello' por risco de conflito en Transnistria e solicitaron á cidadanía que evite viaxar ou abandone o territorio. Nós Diario achega as chaves do conflito en Transnistria, rexión que se proclamou independente o 2 de setembro de 1990. | As autoridades dos Estados Unidos de América, Alemaña, Reino Unido, Canadá, Israel e Bulgaria veñen de lanzar avisos á cidadanía dos seus Estados para que non viaxen, ou no seu caso, abandonen o territorio de Transnistria, diante da crecente tensión que se está a vivir no lugar desde que o pasado 25 de abril se rexistraran varias explosións neste territorio. Estes Estados activaron, polo tanto, o código vermello polo risco de conflito en Transnistria. Preocupación internacional polos ataques acontecidos no territorio de Transnistria O Alto Representante da Unión Europea (UE) para Política Exterior e Seguridade Común, Josep Borrell, subliñou na sexta feira que os últimos incidentes rexistrados en Transnistria "son prexudiciais para a seguridade e a estabilidade" de Moldavia. "A UE pide aos actores responsábeis que eviten a desestabilización da situación". "Aplaudimos firmemente as reaccións contidas por parte das autoridades de Moldavia, que axudan a manter a calma", sinalou. As chaves do conflito Despois dos ataques contra infraestruturas chave para a Administración transnistria, as autoridades desta rexión alertaron nas seguintes xornadas da chegada de disparos e incursións con drons desde a fronteira ucraína. Pola súa parte, a OTAN deixou entrever posíbeis ataques de falsa bandeira por parte de Rusia. Transnistria alerta de ataques desde a fronteira con Ucraína O conflito entre Moldavia e Transnistria veuse incrementado despois de que o pasado 3 de marzo as autoridades moldavas formalizasen de maneira oficial a petición para incorporarse á Unión Europea. A rexión de Transnistria, independente de facto e con 28% da poboación de etnia rusa, non ve esta posíbel adhesión con bos ollos, e é favorábel á asociación con Rusia. Independente desde 1990 Transnistria ocupa unha faixa de 4.163 km² separada do resto de Moldavia polo río Dniéster e fronteiriza ao nordés con Ucraína. A súa poboación é de 550.000 persoas e a súa capital Tiráspol. Segundo datos do Departamento de estatísticas moldavo, a cidadanía deste territorio componse por persoas de etnia moldava (38%), rusa (28%) e ucraína (26%). Transnistria está separada do resto de Moldavia polo río Dniéster. (Foto: Nós Diario) En 1989, no proceso de desintegración da Unión Soviética (URSS), o Soviet Supremo da República Soviética de Moldavia adoptou o moldavo como lingua oficial, volvendo ao alfabeto latino e optando en 1990. Estes feitos levaron a que a poboación da ribeira oriental do río Dniéster, de maioría rusa e ucraína, proclamase o 2 de setembro de 1990 a República Socialista Soviética de Transnistria como entidade independente do resto de Moldavia, pero aínda dentro da URSS. Estabeleceron entón a bandeira do país, cunha fouce e un martelo. A UE e a OTAN buscan integrar novos Estados de Europa do leste Aínda que as autoridades gobernamentais non se consideran de orientación comunista, conservan esa mesma bandeira a día de hoxe. Antes da incorporación de Moldavia á Unión Soviética, en 1940, o territorio de Transnistria xa se atopaba dentro das fronteiras da URSS e do Imperio ruso. O Parlamento moldavo emitiu a súa declaración de independencia o 27 de agosto de 1991. No ano seguinte, o 2 de marzo de 1992, o mesmo día en que entrou a formar parte das Nacións Unidas, Moldavia declarou a guerra contra Transnistria. A intervención do Exército ruso, que seguía estacionado na zona a pesar da disolución da URSS, en apoio das milicias transnistrias, evitou que as tropas moldavas retomasen o territorio. O 21 de xullo de 1992, após catro meses de hostilidades que deixaron 1.500 vítimas mortais, alcanzouse un alto ao fogo e un acordo de paz. Desde aquel entón o territorio de Transnistria alcanzou a independencia de facto, unha situación que dura até día de hoxe, tendo un Goberno e unhas institucións públicas propias, así como unhas relacións co Exterior autónomas. Porén, o territorio nunca obtivo o recoñecemento internacional de ningún Estado pertencente á Organización das Nacións Unidas. |
NOS_19431 | Organizadas pola Asociación Nordés, a quinta feira, 24 de agosto, arrancan no concello de Mañón as VII Xornadas Memoria dun tempo, que este ano se centran nas mulleres. | A casa do concello de Mañón acollerá a partir das quinta feira as VII Xornadas "Memoria dun tempo", organizadas pola Asociación Nordés, que dedica esta edición á muller desde a perspectiva da memoria nun sentido amplo. Así, tal e como informa a entidade, as proxeccións e intervenións previstas amosarán en feminino "a vida e loita baixo o franquismo, como se está a traballar na recuperación da historia das mulleres galegas daquela época, e tamén haberá tempo para coñecer das súas experiencias na emigración". Na primeira xornada intervirán, ás 20h, Victoria Martíns Rodríguez e Ángel Rodríguez, co relatorio "O compromiso coa igualdade: unha visión de futuro desde a análise do pasado", e a proxección previa do seu documentario Digna Rabia. Na sexta feira será a quenda da xornalista Montse Fajardo Pérez, quen forma parte doequipo redactor do programa "A memoria das mulleres", promovido polo Concello de Pontevedra, coa conferencia "A memoria das mulleres no relato da represión franquista". O sábado 26, novidade desta edición, terá lugar entre as 11h e as 13h "un espazo de encontro, libre expresión, participación e creatividade, aberto a todo o mundo", que leva por título "Unha flor pola memoria", no escenario da ponte vella do Barqueiro. Trátase dun acto de "recuperación da memoria e de divulgación da cultura da paz". Durante a tarde, proxectarase o documentario de Margarita Ledo Apuntamentos para un filme, composto por testemuñas de mulleres galegas emigradas á Arxentina no primeiro terzo do século XX. A continuación, Pilar Cagiao pronunciará o relatorio "Ser muller e ser emigrante: a experiencia das galegas en América Latina". María Manuela e Xurxo Varela fecharán as xornadas. |
PRAZA_4764 | Veciñanza do barrio compostelán de Galeras mobilízase contra a construción do acceso a un aparcadoiro por riba dunha zona verde, promovida por unha empresa privada e apoiada polo Concello. Audio e vídeo no interior. | O parque de Galeras é unha das principais zonas verdes do centro de Santiago. Atravesado polo río Sarela, é lindeiro á Finca do Espiño, célebre pola opaca operación urbanística que o ex alcalde da cidade planeaba para ela, e está rodeado por edificios de escasa altura. Amplas zonas de céspede, pequenas pontes, xogos infantís e pistas deportivas completan un espazo que é peza fundamental da Compostela verde e a cuxa beira se ergue o edificio do antigo Hospital Xeral de Galicia, dunha banda, e da outra o monte Pío, espazo que alberga a residencia oficial do presidente da Xunta. Este tranquilo entorno da capital galega vén de ver alterada a súa placidez polo enésimo conflito xerado dende o goberno municipal. O Concello prevé construír unha rotonda e un acceso a un aparcadoiro privado nun dos extremos da zona verde. E a veciñanza disponse a defender o seu parque. A orixe do proxecto hai que buscala nun convenio asinado o 22 de maio de 2013 polo alcalde compostelán, Ángel Currás, e por José Luis Liñares, representante legal da empresa Tugalu, propietaria do aparcadoiro La Catedral. Nese documento -anexo a esta información- o Concello explica que observou a necesidade de converter a rúa García Sabell, próxima ao parque, nunha vía de dobre dirección para así descargar de tráfico as rúas Carretas e Hortas, moi próximas á Praza do Obradoiro. Doutra banda, a empresa expresa o seu interese "en construír un novo acceso ao aparcadoiro da súa propiedade", o que pasa por riba do parque. Con estas vontades de partida, o consistorio "permite a construción do acceso ao aparcadoiro", que "ocupará parte do espazo público", e a empresa asume a construción da rotonda. Todos estes pasos, aseguran dende as catro asociacións veciñais da zona, déronse sen que no barrio se soubese nada. Á maioría pasoulle desapercibida a decisión que a Xunta de Goberno Local tomou ao respecto o pasado novembro e "a primeira noticias que temos", explica José Manuel González, secretario da asociación veciñal Aqualume, foi a aparición "dun valado" no parque. "Ningúen informou a veciñanza, os medios de comunicación din que se vai facer unha rotonda e o Concello simplemente di que todo é legal". "Se os informes técnicos din que é necesaria unha rotonda, a veciñanza non ten ningún problema", admite. "O máis grave é a apropiación indebida dun espazo público, dun parque polo que loitamos moito tempo". O proxecto contempla a construción dunha rotonda e facer pasar por riba do parque un novo acceso para un aparcadoiro privado "Onde está o ben público?", pregúntase Maribel Beiroa, da asociación Río Sarela. "Benefíciase un particular a costa dun espazo verde público", un "cambio de uso" realizado sen modificar o Plan Xeral de Ordenación Municipal e cun evidente impacto na zona verde, admite. "Defendemos o público, que non se apropien de todo". "Están ocupando un espazo verde con prantas e árbores que vai quedar en cemento", un parque "que é para a cidadanía toda e non para un particular". E "nin sequera hai un cartel" que explique en que consisten as obras. Mobilización veciñal Maribel Beiroa e José Manuel González ofrecían estes argumentos a pé de obra no marco da primeira concentración convocada para rexeitar a "privatización" do parque e secundada por uns douscentos veciños e veciñas. Os berros de "non á privatización", "non á corrupción" ou "querémoslle ao parque de Galeras" sucedíanse cando irrompeu na mesma beirarrúa María Pardo, concelleira de Urbanismo e voceira do gabinete de Ángel Currás. "Tiven que vir aquí porque ninguén pediu unha xuntanza comigo", xustificou mentres sostiña un cartafol con copias dun dossier nos que figuraban novas da prensa sobre o proxecto e documentación municipal ao respecto. A edil de Urbanismo presentouse na concentración veciñal para defender a obra e rexeitar que sexa unha "privatización" de parte do parque Cos ánimos caldeados pero nun ambiente pacífico Pardo proclamou ante a veciñanza que "vós non vos decatades", pero na zona "vai haber 81 vivendas novas e un centro de saúde e Tráfico considera que é necesaria a construción dunha rotonda". "Vaise facer sen custo para o Concello porque tamén é beneficiosa para un particular, como estades a dicir", aseverou, entre irónicos berros dos presentes que para a edil eran mostra de pouca "democracia". A obra, "que se vai facer", conta "con todos os informes", asegura, e "non hai un cambio de planeamento" nin "privatización de terreo público, porque entón todos os accesos aos garaxes son privatizacións". "En Galeras, outro Gamonal" coreaban A apelación aos técnicos formulada pola concelleira contrastou coa argumentación veciñal, máis pragmática e emocional. "Por que nos quitan o noso paseo?", "o garaxe xa ten un acceso", "por que hai que darlle un cacho de parque a ese señor?", "vannos quitar os colectores e a parada do bus!", "o parque é de todos!", rebatíanlle. Mentres agardan por unha entrevista co alcalde a veciñanza non vai ficar parada. Xa preparan a documentación para presentar ante a Fiscalía de Medio Ambiente e, ao tempo, seguen a recoller sinaturas de persoas opostas ao proxecto. "Querémoslle ao parque de Galeras", reiteran. "En Galeras, outro Gamonal", coreou un grupo de veciños de idade avanzada. Documentación do proxecto, na web da Concellería de Urbanismo Grupo da veciñanza en Facebook para rexeitar as obras |
NOS_50259 | Esta fin de semana 28.700 persoas participaron nos referendos cidadáns organizados pola plataforma Gure Esku Dago en cinco localidades vascas. | En abril de 2014 a veciñanza da vila navarra de Etxarri-Aranatz participaba nunha consulta popular para responder a unha pregunta sinxela: 'Quere ser cidadán/cidadá dunha Euskal Herria independente?'. Máis de 42% dos vecinos e veciñas participaron na iniciativa, que deixou un resultado contundente: 94,5% de sis á independencia. Catro anos despois, 17 e 18 de novembro de 2018, un total de 28.709 persoas votaban en cinco consultas populares realizadas noutras tantas localidades vascas: Donostia, Irún, Blamaseda, Zalla e Alonsategi. Organizados pola plataforma Gure Esku Dago, estas consultas queren reivindicar "decidir o futuro de Euskal Herria mediante un referendo". Ao longo destes catro anos realizáronse por volta de 200 consultas en concellos dos diferentes territorios vascos. En total, e segundo a plataforma, votaron nos referendos perto de 218.000 persoas. "Gure esku dago é unha dinámica popular que pretende integrar os 3.000.000 de cidadáns que viven neste pobo", sinalara Alex Zenarruzabeitia, un dos responsábeis desta plataforma, na defensa do "dereito a decidir". |
PRAZA_3830 | Nas crises hai quen fai editoriais e homilías e quen fai números. E hai quen aposta polas capacidades individuais e quen aposta polos dereitos humanos e sociais. E hai quen inviste en papel (e redes sociais) para conquistar eleccións e quen inviste en educación para conquistar o futuro | Podes calcular e imaxinar como sería o noso sistema educativo se o número de estudantes por aula fose de 20?Estimada Conselleira,Permite que me dirixa a ti con confianza e cortesía, por eses case dez anos que compartimos de estudo e formación na Facultade de Psicoloxía nos anos 90 do pasado século. Como os miles de profesoras e profesores galegos, a semana pasada recibín no meu correo unha carta túa. Recoñezo que non a puiden ler con detemento ate o venres que acabei de avaliar ás/ós 90 estudantes e enviar as actas de avaliación dos 3 cursos nos que dou aulas, ademais de enviar correo aos 24 centros de traballo onde ian comezar as prácticas profesionais as estudantes de 2 curso. Lina con curiosidade e atención. Non me sorprendeu nada, talvez porque nos coñecemos desde fai tempo e sei que levas anos dicindo que en Galicia temos moito talento, que hai que esforzarse e botarlle "creatividade e imaxinación". Tamén porque para esta Consellería, a comunicación co profesorado e alumnado, redúcese a utilizar o correo electrónico, e, as ensinanzas a distancia, a dispor dunha plataforma de teleformación anticuada.Podes calcular, cantos serían os postos de traballo dignos para profesionais cualificadas/os que están desexando dedicarse a un servizo público único e valioso como a educación. Podes imaxinar como sería a atención ao noso alumnado?Coa mesma cordialidade de cando eramos estudantes, ti das 'altas capacidades' e eu dos 'movementos sociais', propóñoche que fagas un exercicio estatístico. Podes calcular e imaxinar como sería o noso sistema educativo se o número de estudantes por aula fose de 20? e se o profesorado en vez de 20 horas semanais de clases presenciais en aula tivésemos 15 horas e as outras 10horas presencias no centro se puidesen dedicar a labores de titoría e coordinación pedagóxica? E se o máximo de estudantes por docente fose de 60? E se en cada centro educativo houbese un Departamento de Orientación Completo, dotado dun equipo multidisciplinar con 1 orientador/a, 1psicóloga/o educativa/o, 1 profe de Audición e Linguaxe, 1 profe de Pedagoxía Terapéutica e 1 educador/a social. Podes calcular, cantos serían os postos de traballo dignos para profesionais cualificadas/os que están desexando dedicarse a un servizo público único e valioso como a educación. Podes imaxinar como sería a atención ao noso alumnado? E como poderíamos utilizar as tic na educación, alén dos correos electrónicos? Imaxina se estiveran garantidos os recursos tecnolóxicos adecuados e a conectividade de todo o alumnado, compensando desigualdades e igualando oportunidades, como se multiplicarían a creatividade e as altas capacidades?Sei que nesta crise non somos consideradas servizo esencial, pero sei que somos fundamentais para que este país teña futuro. Non son optimista, porque sei que a ti e ao Presidente da Xunta gústavos máis investir en papel, no papel de libros de texto anticuados e nos xornais que recollen as súas predicas e as propostas para un tempo pasado. Nas crises hai quen fai editoriais e homilías e quen fai números. E hai quen aposta polas capacidades individuais e quen aposta polos dereitos humanos e sociais. E hai quen inviste en papel (e redes sociais) para conquistar eleccións e quen inviste en educación para conquistar o futuroUnha mágoa, porque estou segura que con estes cálculos e este investimento multiplicaríamos por millares as capacidades e as posibilidades de futuro, para nós e os nosos fillos e fillas. Claro que tamén penso que hai quen vive moi confortablemente mentres vai deixando que todo ao seu redor se esborralle. E foi así que pouco a pouco fostes precarizando e degradando os servizos públicos e privatizando os dereitos de vivenda, educación e saúde. Porque confiades nas vosas altas capacidades e, sobre todo, nas vosas boas relacións para sobrevivir. Outras pensamos que a supervivencia é colectiva ou non é. Por iso, nas crises hai quen fai editoriais e homilías e quen fai números. E hai quen aposta polas capacidades individuais e quen aposta polos dereitos humanos e sociais. E hai quen inviste en papel (e redes sociais) para conquistar eleccións e quen inviste en educación para conquistar o futuro.Por todo isto, tiñamos e temos intereses de estudo e propostas para o futuro tan diferentes, daquela e hoxe. Un saúdo cordial, Concha FernándezProfesora de Intervención Sociocomunitaria |
PRAZA_18570 | Centos de persoas maniféstanse en Cariño para demandar o aumento do horario do único docente de Audición e Linguaxe que hai no colexio logo de baleiralo en dúas xornadas de folga. A Xunta advirte de que as necesidades especiais "están cubertas co persoal que hai". | A situación é xa recorrente: queixas por falta de medios e profesorado, folgas case unánimes en centros escolares e manifestacións masivas en vilas. As protestas pola escaseza de recursos e docentes e contra a masificación continúan en varios colexios galegos. Nos últimos dous meses, o IES de Brión recuperou un curso de reforzo en Secundaria e segue a pelexar por recuperar optativas tras dúas semanas de peche e folga; en Santiso, a mobilización no CEIP Arcediago conseguiu que a Xunta asignase un terceiro docente para Primaria, en Vilar do Barrio levan semanas loitando por máis profesorado, demandas semellantes ás que guiaron as mobilizacións en Roxos, Ares, Ordes, Santa Comba ou Redondela, entre outras localidades. As protestas e mobilizacións por falta de medios e profesorado e contra os recortes espállanse por ducias de localidades Desta vez, as protestas chegaron á comarca do Ortegal. Pais, nais, alumnado e veciñanza manifestáronse este domingo no municipio de Cariño para esixir máis medios no CEIP Manuel Fraga. Convocados pola ANPA A Basteira, centos de persoas reclamaron que a Xunta incremente as horas do único docente de audición e linguaxe, destinado ao alumnado con necesidades especiais. Denuncian que, malia que este curso hai un cativo máis nestas circunstancias, o horario deste docente reduciuse de cinco a tres días, polo que nin tan sequera está todos os días no centro. Centos de persoas manifestáronse en Cariño pola redución de horario do único docente de audición e linguaxe malia aumentaro o número de alumnos con necesidades especiais Como aconteceu nos casos doutros centros que denunciaron recortes, a Consellería de Educación contestou que o alumnado con necesidades especiais "está cuberto co persoal que hai" e negouse a achegar máis docentes ou medios. Tras as negociacións fallidas, a ANPA decidiu convocar a dúas xornadas de folga nun centro que quedou case baleiro. Dos 176 alumnos matriculados, tan só tres acudiron ás aulas nas dúas xornadas de paro convocadas a semana pasada que secundaron o 98% das familias. O domingo, centos de persoas percorreron as rúas de Cariño. para que as necesidades dos seus pequenos "estean ben cubertas". A Xunta asegura que as necesidades especiais "están cubertas co persoal que hai" A manifestación estivo encabezada por unha pancarta que rezaba Un especialista en audición e linguaxe cinco días e un coidador máis. Educación de calidade para todos. Os convocantes cifran nun milleiro de persoas os asistentes -- en todo o municipio viven 4.000 persoas-- e na marcha estivo presente o alcalde e concelleiros de todos os grupos municipais. "Que a situación demográfica non supoña unha barreira para acceder aos servizos necesarios", demanda a ANPA No manifesto lido ao final da mobilización, a ANPA do centro demandou "que a situación demográfica non supoña unha barreira para acceder aos servizos necesarios" nun concello que perdeu 1.200 habitantes en dúas décadas e que supera por pouco os 350 habitantes con menos de 16 anos. "Tense que investir e acabar coa escaseza de recursos", reclamou a asociación de nais e pais, que pide que "non se considere os nenos como meros números" e pide á Administración que "recoñeza as carencias e traballe para solucionalas". |
PRAZA_17041 | As festas continúan ata o domingo e inclúen o concerto que conmemorará o 170º aniversario da Banda Municipal compostelá nunha actuación conxunta coa Real Filharmonía de Galicia | As festas compostelás da Ascensión viven este xoves, 10 de maio, o seu día grande. Na noite previa a música de Iván Ferreiro na praza da Quintana (con Delaporte dende as 21:30) serve de pórtico para a xornada festiva na capital galega, que pecharán no mesmo escenario Caxade e OqueStrada. O xoves da Ascensión ten a súa primeira cita nun dos eventos máis tradicionais das festas compostelás, a Feira Cabalar no Mercado Nacional de Gando, en Amio. Nas probas para cabalos e eguas participarán gandarías dunha quincena de municipios nunha mostra na que a feira recupera a exhibición de andadura tradicional galega. Xa contra o mediodía, mentres en Amio remata a feira cabalar no centro da cidade será a quenda para outra as figuras máis senlleiras da Ascensión, os cabezudos, que percorrerán o casco histórico dende a Praza das Praterías a partir das 12. Á unha da tarde chegará a primeira sesión vermú da ascensión co abanda Cachas&Cousins, da propia cidade, que interpretarán "sons xamaicanos dos anos 60". Dende as seis da tarde a banda sonora do día grande da Ascensión virará cara ás músicas tradicionais do país co certame Folk na Rúa, no que son protagonistas as agrupacións Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar e Ultreia. Contra as oito da tarde todas elas finalizarán os seus percorridos musicais cunha actuación conxunta na praza da Acibecharía. As festas continúan ata o domingo e inclúen o concerto que conmemorará o 170º aniversario da Banda Municipal compostelá nunha actuación conxunta coa Real Filharmonía de Galicia O menú musical do día grande da Ascensión desemboca na Quintana. Alí ecoarán as músicas dos lisboetas OqueStrada e mais dos galegos Caxade, que coma sempre prometen "música elegante, modesta e sinxela, surrealismo pos-modernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico". As festas de Santiago continúan ata o vindeiro domingo cun programa ao que volven as sesións vermú con actuacións como as de Esteban e Manuel (sábado, 12:30 na praza de Cervantes) e no que hai un concerto especialmente sinalado, o que conmemora os 170 anos da Banda Municipal de Santiago. Para conmemorar o aniversario a banda compartirá escenario por primeira vez coa Real Filharmonía de Galicia nunha interpretación especial comandada polos directores de ambas formacións, Maximino Zumalave e Casiano Mouriño, dende as 20:30 do sábado na Quintana. Programa completo das Festas da Ascensión 2018 |
PRAZA_6409 | Cos dous grandes, Deportivo e Celta, xuntos de novo na elite, Galicia aumenta o seu protagonismo nunha Primeira División con cada vez máis xogadores da terra e moitos deles líderes e estrelas dos seus equipos. | Con dúas xornadas de Liga consumidas, Galicia afronta con fachenda esta campaña futbolística. Co Deportivo de volta na Primeira e co Celta camiño de se asentar na máxima categoría, os dous grandes do balompé do país defenden o orgullo da terra nunha das consideradas mellores campionatos do mundo. Abafados polos mediáticos e multimillonarios Real Madrid e Barcelona, os seareiros dos conxuntos galegos seguen rebelándose ante unha competición cada vez máis desigual por arriba pero na que branquiazuis e celestes buscan o seu sitio entre as clases populares. Co ascenso do Deportivo, os dous grandes do fútbol galego reencóntranse na elite Deportivo e Celta. Celta e Deportivo. Lonxe das épocas dos títulos dos coruñeses e do exitoso Eurocelta de hai máis dunha década, a crise económica obrigou a ambos os dous equipos a reconstruírse. Os vigueses, xa nunha situación envexable, souberon navegar nas duras augas da lei concursal para mirar unha exitosa canteira, sanearse e afrontar esta tempada cun bloque feito, completado con varias fichaxes e despregando un xogo no verán e nas dúas primeiras xornadas que chama ao optimismo. Na Coruña, metidos no máis duro da crise económica, as penurias obrigaron a facer un equipo novo. Máis de dez fichaxes a custo cero e unha evidente falta de acoplamento complican o inicio dun Deportivo que, non obstante, soubo armar un equipo de garantías. Precisan os branquiazuis manterse na elite para evitar males maiores ante as necesidades monetarias que exixe o convenio cos acredores para pagar nos vindeiros anos unha enorme débeda de máis de 130 millóns de euros. Coa idea de apostar de novo pola base, e con varios canteiráns asentados, o futuro inmediato exixe a permanencia. Celta e Dépor acumulan varios galegos nos seus equipos, aos que se unen moitos máis que destacan na Liga Varios son os galegos que xuntan os dous equipos, nunha fartura que moito se diferencia de épocas anteriores onde era difícil atopar algún xogador da terra nos derbis que agora regresan. Sergio, Jonny, Álex López, Hugo Mallo ou o mancado Oubiña levan tempo asentados nun plantel autóctono que completan Santi Mina, Rubén Blanco, Borja Fernández ou Santi Mina. No Deportivo, Insua, Álex Bergantiños e Juan Domínguez seguen formando parte dunha base galega á que o ano pasado se uniron Juan Carlos ou Seoane e que nesta tempada incorpora o coruñés Lucas Pérez, fichado do PAOK grega logo dunha exitosa carreira no leste de Europa. Pero non son branquiazuis e celestes os que achegan galegos a esta Liga. Nin moito menos. A primeira xornada desta Liga de Primeira División bateu marcas que non se lembraban. Dezaseis galegos foron titulares na elite. E moitos deles serán claves nos seus equipos. Como exemplo, Denís Suárez. O de Salceda de Caselas deixou a canteira do Barcelona para se unir ao Sevilla, onde malia a súa curta idade xa é un dos futbolistas máis destacados. Alí espera a titularidade Iago Aspas, que regresou á competición española tras as súas escasas aparicións no Liverpool inglés. Denís destaca no Sevilla, como Trashorras no Rayo ou Fran Rico no Granada No Getafe, Diego Castro e Roberto Lago continúan a ser fundamentais, ao igual que Roberto Trashorras no Rayo, onde é o capitán e líder do equipo e ao que agora acompaña o vigués Jonathan Pereira. O coruñés Pedro Mosquera comanda o centro do campo do Elche, mentres Iago Bouzón regresa a Primeira nas filas do Córdoba. Tamén en Andalucía, Fran Rico dirixe o xogo do Granada, que mantén o porteiro chantadino Roberto entre os veteranos do cadro de futbolistas. Tamén das redes vixía Rubén Martínez no Almería e Diego Mariño no Levante, mentres que o extremo Lucas Vázquez acaba de dar o paso da canteira do Real Madrid ao Espanyol. Xa na elite, os brasilegos Rafinha Alcántara e Rodrigo buscan o seu oco no todopoderoso Barcelona e no Valencia respectivamente. A este último chegou Yoel, gardarredes que triunfou no Celta nos últimos anos. |
NOS_30849 | O partido de extrema-dereita atinxiu no Estado nesta primeira volta das rexionais un 30% dos votos, sendo primeira forza. Mais en Bretaña, Córsega ou Iparralde ficou moi lonxe deses resultados. Non así en Catalunya Norde, onde ficou primeira. | "Franvia volve levantar cabeza", manifestou Marine Le Pen ao coñecer os resultados destas eleccións rexionais francesas, uns comicios nos que a Fronte Nacional foi a forza máis votada, cun 30% dos votos. O partido de extrema-dereita venceu en seis das 13 rexións e consolidou así un medre electoral que viña producíndose desde hai anos. A coligazón da dereita de Sarkozy co centro-dereita da UDI foi a segunda máis votada no Estado -gañou en 4 das 13 rexións-, mentres que o PS de Hollande sufríu un forte castigo. Os socialistas xa anunciaron que non concorrerán á segunda volta en varias demarcacións, para así favorecer o voto á alternativa ao FN. Bretaña: triunfo socialista e as listas nacionalistas abeiran o 10% En Breizh (Bretaña) as diferentes listas autonomistas e soberanistas obtiveron por volta do 10% dos apoios nunhas eleccións que neste país gañou o Partido Socialista (35%). A formación bretoa máis votada foi 'Oui la Bretagne' (6,7% apoios), mentres que 'Terras de Bretaña' tivo o 2,6% e o Partido Bretón un 0,64". A candidatura da esquerda independentista (Breizh O Stourm!) obtivo o 0,62 por cento. Córsega: Nacionalistas e independentistas suman un 28% dos votos En Córsega a lista da esquerda foi a máis votada, cun 18,4% dos apoios, ficando segunda a candidatura nacionalista 'Femu a Corsica', cun 17,6 por cento. A dereita logrou o 13,2% dos sufraxios e a Fronte Nacional ficou en cuarta posición, cun 10,58%. Os independentistas presentáronse divididos en 2 listas. A de Corsica Libera logrou un 7,72%, mentres que a de Rinnovu obtivo o 2,58%. Iparralde: Non houbo listas abertzales Non houbo concorrencia de formacións abertzales nestas eleccións. A dereita sarzozyniana e a súa coligazón co centro-dereita foi o que máis apoio nas urnas tivo en Euskal Herria norte, cun 29%. O Partido Socialista logrou o 28% e a Fronte Nacional o 16 por cento. Na zona de Languedoc-Roselló, a vitoria si que foi para o FN, cun 31% dos votos. O PS foi segunda opción en votos, cun 24%. A lista apoiada por nacionalistas occitanos e ERC ficou ás portas de ir á segunda volta. |
NOS_1874 | O A Fondo desta semana -nos quiosques esta quinta feira- abonda nas moi diversas facetas que constituían a figura de Francisco Carballo: o teólogo, o nacionalista, o historiador e o político. | No A Fondo desta semana -na quinta feira nos quiosques do país, na cuarta feira xa na nosa loxa- adentrarémonos nese perfil poliédrico que encarnaba Francisco Carballo: teólogo, historiador, nacionalista, político, sindicalista, promotor cultural e dono de tantas outras facetas fundidas nun mesmo crisol, como a de ter sido durante anos o presidente do consello de administración de A Nosa Terra, ben como compoñente do grupo promotor de Sermos Galiza. O caderniño de Sermos convértese así en homenaxe á persoa, ao intelectual e ao activista, falecido en novembro do pasado ano. O A Fondo reúne a colaboración de persoas próximas a Carballo nas súas diferentes vertentes. O investigador Santiago Prol, organizador da homenaxe a Francisco Carballo en Maceda o pasado decembro, ganduxa as verbas deste intelectual na fronteira do eclesial e sempre na cerna do debate político e social, para tecer con elas unha caste de autorretrato. O texto fai así unha rápida panorámica vital, dende o seu nacemento en Maceda, os anos nun frío seminario da posguerra, o seu contacto co independentismo en Euskadi como superior da orde de San Vicente de Paúl en Barakaldo e a súa etapa como reitor do teologado en Salamanca, até a súa volta a Galiza, as súas investigacións como historiador, os intensos anos de activismo cultural e sindical en Vigo ou o seu paso pola primeira liña da vida política, como candidato da coligazón BN-PG por Ourense nas eleccións de xuño do 77. Crente, nacionalista, activista Rubén Aramburu, dende a revista Irimia, e Engracia Vidal, dende a publicación Encrucillada, fan unha achega a Carballo dende a súa implicación con ambos os dous proxectos de pensamento cristián. Presentan, así, a un Carballo comprometido, até os últimos días da súa vida, co espírito de renovación e inculturación da Igrexa emanado polo Concilio Vaticano II, próximo á Teoloxía da Liberación. "Na encrucillada de Paco (...) prendeu unha nova luz ─expón Vidal─ Asume os cambios que se producen na Igrexa universal e dá un xiro a súa vida, sen voltas atrás" "Xan Carballa achéganos o retrato do activista político e social e á súa participación nos sindicatos e nas organizacións clandestinas dos anos 70." O historiador Anselmo López Carreira destaca o papel de Carballo na construción nacional a partir da súa investigación ao redor do pasado de Galiza. Defíneo como un historiador influenciado pola escola marxista e a dos Annales, que prioriza, fronte á historia d@s poderos@s, a investigación crítica ao redor das dimensións políticas, económicas, sociais e culturais. E lembra como mesmo chegou a ser sancionado por tal papel, procesado por cualificar de asasinato a morte de Moncho Reboiras. Xan Carballa achéganos o retrato do activista político e social, a súa influencia na xuventude nacionalista dos anos 70, a súa participación nos sindicatos e nas organizacións clandestinas do nacionalismo e o seu papel como promotor cultural e no mundo editorial. "Estaba ao día, estudando de continuo, moderno, avanzando sincrónico co seu tempo até o alento final, sempre actual, sempre curioso. Botamos en falta o seu respirar", recoñece. O avogado Antón Gómez é o protagonista da entrevista deste A Fondo. Fálanos de Francisco Carballo dende a ollada e o sentir de quen foi, primeiro, discípulo seu e logo amigo. A el tívoo como guía dende a época de estudante na orde dos Pauís, na Universidade Pontifícea de Salamanca na que Carballo era rector e el estudante, e logo como o cura obreiro que Gómez foi até a súa secularización. *Fotos de Xan Carballa |
NOS_3502 | As socias de Aventeira están moi preocupadas… o seu amigo, Xurxo Crespo, estaba a facer o camiño de Santiago e quedara en visitalos… Mais nunca se puxo en contacto. O último que se sabe del é que andaba por Silleda na noite do 21 de febreiro... Agora precisan axuda para resolver o misterio: "U-lo Xurxo?". Ao estilo Escape Room, mais en galego e ambientado na Galiza, é este un xogo en liña que veñen de crear en Aventeira. Aténdenos Aitor Novo, socio desta cooperativa, para resolver a intriga | Que nos pode contar sobre "U-lo Xurxo"? Este é un xogo en liña que fixemos a xente de Aventeira, de balde, un pouquiño coa idea de crear un xogo deste estilo en galego e ambientado na Galiza. Decatámonos de que neste momento, no que a xente ten que estar confinada na súa casa, hai moitas persoas que están buscando cousiñas que facer a través de internet, mais que poidan facer tamén con amigos. Xa que nós traballamos en cuestións de tempo libre e facemos grandes xogos, con campamentos tamén para adultos, pensamos crear algo que fose noso, para achegar así o noso gran de area. E cal é a historia de Xurxo? Aínda que non é unha Escape Room en sentido literal, pois non hai ningún sitio do que escapar en realidade, si seguimos esa dinámica. A persoa xogadora ten que ir seguindo unhas pistas e ir descifrando pequenas incógnitas que atopará no decorrer da historia para seguirlle a pista a este personaxe que é Xurxo. El é un peregrino que está a facer o camiño de Santiago e do que se perdeu o rastro. Como xogadora, tes que ir averiguando detalles segundo avanzas e investigas, tamén a través de internet, para atopar a localización deste peregrino perdido. O xogo está pensado para que sexa máis divertido se se xoga entre varias persoas, tanto a nivel familiar como con amizades a distancia. Por que sitios da Galiza nos pode levar o xogo? Non podemos contar moito... Hai que averigualo! Sabemos que Xurxo estaba facendo o camiño de Santiago e que tiña que pasar unha noite en Silleda. Partindo de aí, temos que seguirlle a pista. De momento, está publicada unha primeira parte, mais agardamos que teña unha segunda e terceira para que nos leve por máis sitios. Estamos moi contentas pola aceptación que está tendo este xogo. Ogallá chegue a máis xente e teña máis participación. En Aventeira xa están acostumados a desenvolver grandes xogos? Traballamos moito en campamentos, tanto con rapazada como con adultos, en dinamización turística e tamén, si, con grandes xogos deste estilo, coma as Mystery Night. Procuramos, á parte, que todas as cousas que fagamos teñan un forte contido educativo. Sempre formulamos iniciativas cunha perspectiva transformadora, de modo que non sexa só entreter. Neste caso, a nosa premisa é compartir a cultura da nosa terra e ofrecer entretemento en lingua galega. Como nace Aventeira? Aventeira somos un cooperativa sen ánimo de lucro e levamos ano e medio de vida. Somos seis persoas que nos xuntamos coa idea de facer tempo libre e alternativas de lecer de calidade, desde un punto de vista transformador, educativo e diferente. Temos un obxectivo social, de achegar o noso gran de area e, ao mesmo tempo, poder vivir do que máis nos gusta e do que mellor sabemos facer. Durante o verán, dedicámonos máis ao tempo libre, aos campamentos. No inverno, facemos outras cousiñas como a xestión cultural da Illa de San Simón ou programas de mobilidade xuvenil como Galeuropa, o que nos permite traballar en dinamización xuvenil durante todo o ano. Teñen alternativas de lecer as adolescentes? O lecer das adolescentes normalmente está vinculado con certas actividades e nós intentamos fuxir de aí. A nosa idea sempre é ofrecer alternativas de lecer que sexan saudábeis, que sexan renovadoras e que presenten un compoñente educativo. Ademais, a rapazada desfrútao moito. Existen iniciativas como o programa Nocturnia, na Coruña, ou as Noites Abertas, en Pontevedra, que teñen moi boa participación. Son iniciativas de ocio nocturno para a chavalada, con moitísimo potencial, aínda que posibelmente menos accesíbel, mais agradéceo e desfrútao moito. |
NOS_21049 | Unha campaña solicita que se dea unha solución "urxente" á situación na que se atopan estes estudantes "sen verse prexudicadas por ter que adaptarse ao plan de grao". | Por volta de 500 alumnos e alumnas da Universidade de Compostela non poderán rematar a licenciatura pola extinción da mesma. É a denuncia clara e concreta que se está a facer nunha campaña, impulsada polos Comités, que pretende que se dea unha solución "urxente" a esta situación "sen verse prexudicadas por ter que adaptarse ao plan de Grao". A organización estudantil lembra que no curso 2014/15 varias alumnas e alumnos que estudan polo plan de Licenciatura tiveron que cursar materias de Grao "por mor do plan de extinción das licenciaturas, que neste caso conclúen o vindeiro 30 de setembro". Ao non superar as oportunidades ordinarias, explican, e co fin de facilitar a posibilidade de rematar os estudos co plan de Licenciatura ("e non ter que adaptarse ao de Grao, en parte polo perxuízo económico que suporía"), solicitaron ás institucións universitarias unha oportunidade extraordinaria en setembro. Sempre segundo o relato dos Comités, "as respostas que recibiron foron pouco alentadoras, mais o Consello de Goberno da USC reunido o 29 de xullo de 2015 aprobou que se convoque unha proba extraordinaria en setembro". Porén, un dos requisitos para concorrer a esa proba é ter suspensas as 2 oportunidades ordinarias. Mais iso deixaría fóra a aqueles estudantes que, como os da situación que se advirte, non se presentaron a algunha desas oportunidades. Perante iso, solicitaron unha reunión coa Secretaría Xeral "para tratar este tema que afecta a máis de 500 estudantes de licenciaturas como Bioloxía e Economía", mais non obtiveron solucións no encontro, polo que pediron "unha reunión urxente co reitor para tratar en persoa este tema". Hai unha campaña de recollida de sinaturas. |
PRAZA_19854 | Pide que se investigue os directivos da entidade por presuntas irregularidades, estafa, administración desleal ou falsidade documental logo de que a sentenza das indemnizacións das antigas caixas revelase a "manipulación contable" nas contas da entidade. | A CIG vén de presentar unha denuncia ante a Audiencia Nacional, desta vez contra a cúpula da antiga Caixa Galicia, con José Luis Méndez á cabeza. A central pretende que se dilucide se houbo irregularidades na confección dos resultados da entidade dos anos 2008 e 2009. Tal e como lembrou o sindicato este venres, mentres as contas aprobadas polo consello de administración presentaban beneficios consolidados de 225 millóns en 2008 e 91 no seguinte, a sentenza que condenou á cadea os ex-directivos das caixas polas indemnizacións millonariosrecoñece como feito probado que Caixa Galicia estaba en 2009 en situación de insolvencia, segundo as análises do Banco de España. A CIG advirte que a sentenza das indemnizacións dos antigos directivos das caixas ratifica a "manipulación contable" en Caixa Galicia A CIG advirte que xa en marzo de 2009, nunha acta de inspección do Banco de España, constatábase que a entidade tiña xa unhas perdas agardadas de 1.279 millóns para 2010 e 2012 e que tiña provisións pendentes de realizar. Ademais, advirte tamén doutras sancións ratificadas pola Audiencia Nacional e o Supremo noutras sentenzas nas que se advirte de manobras que puideron servir para "agochar" a situación precaria na que se atopaba a entidade. A querela presentada, por "manipulación contable", tamén fai referencia á emisión de preferentes elevada a cabo por Caixa Galicia durante aquel 2009, baseada en contas que cren "falseadas" e avalada precisamente ante o Banco de España e a Comisión Nacional do Mercado de Valores con aqueles resultados dos que agora sospeita o sindicato e que eran ficticios segundo o propio regulador. "Alguén terá que explicar como é posible que unha caixa insolvente poida presentar beneficios multimillonarios", destacou Clodomiro Montero, secretario nacional de CIG-Banca, que ofreceu unha rolda de prensa acompañada do líder da central nacionalista, Suso Seixo. "Alguén terá que explicar como é posible que unha caixa insolvente poida presentar beneficios multimillonarios", di Clodo Montero En definitiva, como lembrou Seixo, "hai unha serie de feitos probados" por parte da Audiencia Nacional na sentenza dos ex-directivos dos que se poden derivar delitos como estafa, administración desleal e falsidade documental. Por iso, a CIG presenta denuncia ante o xulgado central de instrución do penal da Audiencia Nacional para que se investigue tanto a Méndez, como ao expresidente da entidade Mauro Varela, así como ao resto de membros do consello de administración e do comité de control da caixa galega por unha xestión "irregular". A central nacionalista volve presentar esta denuncia ante a Audiencia Nacional despois de que a Fiscalía da mesma instancia se negase a recollela, no que o sindicato critica por "ser un feito inédito". Ao tempo, advirte que o caso agora denunciado é un "parecido" ao de Bankia, xa que hai actas do Banco de España que din que a entidade galega "era insolvente en 2009", o que corrobora a Audiencia Nacional, e, "con todo, o Banco de España coñecendo a súa insolvencia permitiu que aprobasen unhas contas con beneficios" e que fosen colocadas preferentes "á pequena clientela". Por último, a CIG tamén se queixa de que levou en 2014 á Fiscalía de Santiago unha denuncia sobre a compra, por parte da muller de José Luís Méndez, de inmobles que pertencían á corporación da caixa "por baixo do valor de taxación", pero o fiscal "non respondeu nin deu contestación de ningún tipo". O sindicato cre que o caso agora denunciado é "parecido" ao de Bankia En definitiva, a sentenza da que tira a CIG para demostrar con ditames xudiciais as "irregularidades" en Caixa Galicia é a das indemnizacións que acabou con Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego, Gregorio Gorriarán, Óscar Rodríguez Estrada e Ricardo Pradas na cadea. José Luis Méndez, ex-director xeral de Caixa Galicia, librouse do preito tras pactar a súa saída a tempo, en 2010, cando o Banco de España, tras ver os números da entidade e a súa exposición ao ladrillo, considerou o banqueiro incompatible con calquera plan de futuro. Cobrou por marchar 18 millóns de euros, exactamente a cantidade que esixiu para afastarse do proceso de fusión. Agora, podería ter que sentar no banco dos acusados. |
PRAZA_6604 | O director xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Jesús Gamallo, afirma no Parlamento que o Tratado Transatlántico de Comercio supón "unha oportunidade" para moitos sectores. O 11 de outubro están convocadas accións de protesta en toda Europa | O TTIP, o Tratado Transatlántico de Comercio que están negociando Estados Unidos e a UE dende hai meses, é sinalado por entidades sociais, economistas e forzas políticas de esquerda como unha ameaza os dereitos sociais e laborais existentes en Europa e tamén para certos sectores, por exemplo para a produción agrogandeira. De feito, o vindeiro 11 de outubro está convocado un Día Europeo de Acción contra o TTIP, con mobilizacións prevista xa en centos de cidades. En Galicia, a oposición ao Tratado está xa organizándose, e hai xa concentracións convocadas para esa data na Coruña, Ferrol e Ourense. Gamallo defendeu que o TTIP representa "unha oportunidade para moitos sectores" da economía galega Porén, o Goberno galego só ve vantaxes e "oportunidades" na sinatura deste tratado. Este mércores o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta, Jesús Gamallo, respondeu no Parlamento a unha pregunta da deputada Tereixa Paz (BNG), sinalando que o tratado "non supón unha ameaza". "Está ben claro que este tratado vai na liña de favorecer o comercio Transatlántico. Esta é unha negociación 'win-win'. Ou gañan as dúas partes ou non se aproba o tratado". Gamallo defendeu que o TTIP representa "unha oportunidade para moitos sectores" da economía galega e que por exemplo vai favorecer a exportación de viños galegos aos Estados Unidos, ou os sectores textil, a automoción ou o conserveiro, grazas á redución dos aranceis. O director xeral xustificou, ademais, o escurantismo e a falta de información que dende hai un ano caracteriza a estas importantes negociacións. Pra Gamallo, "na fase na que nos atopamos esíxese certa reserva na xestión de información, non porque haxa nada oculto ou nada pernicioso", senón porque se quere evitar "detallar cales son as auténticas liñas vermellas", pois esa información beneficiaría a outra parte e "devaluaría as contrapropostas europeas". Porén, a visión do Goberno galego sitúase nas antípodas da que manteñen os grupos de esquerda. Despois de escoitar a resposta de Gamallo, a deputada Tareixa Paz (BNG) alertou de que o TTIP contitúe "un atentado á democracia", que antepón o interese das transnacionais aos da cidadanía, con graves riscos para os servizos públicos, "susceptibles de ser privatizados" e para os dereitos laborais. Entre outras cousas, o tratado inclúe un capítulo sobre "protección de investimentos", que lles outorga aos investidores dereitos para demandar os Estados cando consideren que algunha decisión democrática -realizada por institucións representativas e para o interese xeral- poida ter impactos negativos nas súas ganancias presentes ou futuras. Tamén AGE manifestou en varias ocasións a súa oposición frontal ao tratado. O pasado 17 de setembro a eurodeputada Lidia Senra, durante o debate que tivo lugar no Parlamento Europeo a respecto do acordo de libre comercio Unión Europea-Canadá, coñecido como CETA, pediu a retirada deste tratado (moi semellante ao que se negocia cos Estados Unidos) porque "amais da entrega da soberanía dos pobos ás multinacionais, vai destruír mais postos de traballo nas pequenas e medianas empresas dos que vai crear nas grandes industrias, ataca gravemente aos servizos públicos, vai aumentar o proceso de destrución da agricultura labrega e mesmo afectar de xeito radical á crise climática". Un tratado que podería implicar a entrada masiva de transxénicos en Europa, como denuncian tamén Amigos da Terra, CECU, COAG e Ecoloxistas en Acción. AGE en Europa organizará actos e xornadas en Galicia, apoiados polo grupo parlamentar da esquerda europea, para divulgar entre a cidadanía galega os efectos negativos destes tratados "que se negocian co máis absoluto escurantismo". Ademais, prevé presentar (ao igual que o BNG) mocións nos concellos para que os plenos municipais se pronuncien contra o TTIP. Accións o 11 de outubro Están xa convocadas concentracións na Coruña e en Ourense Se durante meses un tratado da importancia do TTIP permaneceu fóra das páxinas dos medios de comunicación e era ignorado pola maior parte da poboación, nos últimos tempos distintos movementos sociais e forzas políticas veñen facendo un esforzo de explicación e concienciación sobre as consecuencias que este acordo podería ter para a cidadanía. A Campaña Non ao TTIP suma centos de apoios en toda España e o vindeiro 11 de outubro está convocado un Día Europeo de accións para parar os acordos TTIP, con mobilizacións en todos os países da UE. En Galicia están xa convocadas concentracións na Coruña (ás 20 horas no Obelisco) e en Ourense (ás 12 horas na Praza Maior). De feito, este mesmo xoves presentouse no Ateneo de Ourense a Plataforma Cidadá 'Non ao Tratado Transatlántico para o Comercio e o Invstimento. E noutras cidades, coma Ferrol, tamén se están a preparar accións para o 11 de outubro (o pasado luns numerosos movementos sociais mantiveron unha xuntanza neste senso). En calquera caso, as negociacións seguen adiante e este mesmo luns os equipos de Estados Unidos e a Unión Europea abriron a sétima rolda de contactos, en Maryland, e coma sempre a porta pechada. Se nun comezo estaba previsto que xa a finais de 2014 estivese listo un borrador inicial, agora, a previsión é que este se adíe bastantes meses, mesmo até o 2016. |
NOS_38828 | Os contaxios por coronavirus seguen disparados na Galiza e marcan novo récord da sexta onda, con 1.361 nun só día. Os casos activos superan os 15.000 e sobe a presión hospitalaria, con 231 persoas ingresadas en planta hospitalaria e 51 en UCI. | A cinco días da Noiteboa, a Galiza continúa coa súa escalada de novos contaxios detectados a diario e marca un novo récord desta sexta onda da pandemia, notificándose 1.361 novos casos neste domingo, 19 de decembro. Así, os casos activos xa superan os 15.000 e a presión hospitalaria volve rexistrar un crecemento até os 282 ingresados, 12 máis. De acordo cos datos publicados na mañá deste domingo pola Consellaría de Sanidade, actualizados até as 18 horas do sábado, hai 231 persoas hospitalizadas en planta en toda a Galiza, 10 máis que unha xornada atrás, mentres que outras 51 están en unidades de coidados intensivos (UCI), dúas máis. Se se observan os datos por áreas sanitarias, o crecemento da presión asistencial nas últimas horas produciuse nas áreas de Vigo, Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras e na Coruña-Cee. No resto mantívose ou, en cambio, baixou, como é o caso de Santiago-Barbanza. No caso do distrito vigués, os ingresados superan xa o cento e sitúanse en 101 tras crecer en seis nun día. De todos eles, hai 22 en críticos, un máis. No caso da área de Ourense, rexistra 55 hospitalizados con Covid-19 (+4), aínda que as UCI fican con cinco pacientes. Mentres, na da Coruña, sobe a 32 (+3) a cifra global, dos que seis (+1) están críticos. Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, a presión asistencial mantense con 47 hospitalizados, aínda que un deles abandonou a UCI, que ten oito pacientes (-1). De igual modo, a cifra global de ingresos na de Lugo-A Mariña-Monforte continúa en 17, aínda que en críticos hai agora seis (+1). Na de Ferrol, mantéñense os 10 hospitalizados, tres deles críticos. En canto a Santiago-Barbanza, é a única área onde baixan os hospitalizados lixeiramente, até os 20 (-1). De todos eles, só un está en coidados intensivos. Os casos activos, disparados Os casos activos de Covid-19 continúan co seu ascenso e excederon a barreira dos 15.000, ao situárense xa en 15.348 nos datos deste domingo. Isto débese a que Sanidade detectou máis contaxios (1.357) que altas (804) nun día, ao que se engaden dous falecementos. A área de Vigo volveu ser a de maior incremento de pacientes Covid-19, até os 4.980 en total (+237). Séguena a da Coruña-Cee, que sobe a 2.329 (+113); a de Pontevedra-O Salnés, a 2.361 (+111); e a de Santiago-Barbanza, a 1.477 (+105). Máis moderados son os ascensos das áreas de Lugo-A Mariña-Monforte e Ferrol. A lucense rexistra 993 casos activos de Covid-19 (+44), mentres que a ferrolá sitúase en 560 (+5). Novo récord de contaxios Os novos contaxios de Covid-19 mantéñense por quinta xornada consecutiva por encima do milleiro, ao subir a 1.357, que implican 107 máis que os 1.250 do día anterior. É, de novo, a cifra máis alta desta sexta onda da pandemia. De todas as novas infeccións, 478 correspóndense coa área de Vigo, á que segue a de Pontevedra con 214 positivos. Por detrás están A Coruña, con 209; Santiago, con 177; Ourense, con 141; Lugo, con 100; e Ferrol, con 38. Por tanto, as persoas contaxiadas na Galiza desde o inicio desta pandemia ascenden a 208.410. Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade na tarde da pasada sexta feira, 17 de decembro, a Galiza conta cunha incidencia acumulada a 14 días de 511,95 casos por 100.000 habitantes, polo que segue lixeiramente por encima da media do Estado, que está en 511 puntos. Dúas novas vítimas mortais As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia na Galiza ascenden a 2.720, ao notificar no sábado a Consellaría de Sanidade dúas novas vítimas. |
NOS_22924 | As deputacións están a facerse eco dos problemas dos concellos á hora de asumir os gastos en que incorreron desde o inicio da pandemia sen recibiren ningunha axuda extraordinaria por parte do Goberno galego, con quen nas últimas semanas estiveron a negociar un plan conxunto de apoio á hostalaría. Conversamos ao respecto co presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé Roca (Guitiriz, 1958). | A Deputación de Lugo está centrada neste momento na resposta á crise do coronavirus. Que destacaría das medidas adoptadas en relación coa pandemia? Estamos moi centrados en todas aquelas accións nas que poidamos colaborar cos concellos, porque, obviamente, nós non tempos competencias sanitarias. Tamén estamos con ese mesmo traballo nas residencias públicas da Deputación de Lugo. Afortunadamente, non tivemos ningún caso de Covid-19 en ningunha das cinco e iso foi porque fomos moi exixentes cos protocolos e superamos as recomendacións tanto do Ministerio como da Consellaría. Neste sentido quero agradecer o traballo das directoras e de todo o persoal porque fixeron un labor magnífico e grazas ao seu esforzo e ao protocolo posto en marcha podemos dicir que nas residencias da Deputación de Lugo non houbo ningún sobresalto. A chave está tamén nese carácter público e de atención moi personalizada, pois son residencias pequenas, non masificadas, de 30 usuarios e onde hai 25 traballadores en cada equipamento. Iso é o que marca a diferenza fronte ás privadas ou a outras públicas non tan ben dotadas. A negativa da Xunta a concertar prazas nas residencias de Deputación sorprende, dada a escasa oferta. Cal é a nota que pon ao comportamento da Xunta en relación coas demandas da Deputación? O comportamento da Xunta neste caso é inaceptábel, pois na propia Lei de servizos sociais da Galiza fálase directamente de conveniar con concellos ou outras institucións residencias en lugares onde se estime necesario e é no rural onde fan máis falla. Si, podemos levar os maiores a 100 quilómetros, a outra residencia, mais entón estariamos a desarraigalos. Queremos que as residencias sexan centros non masificados e conservar as persoas do seu contorno, pois se os quitas del, sofren un baixón grande.A respecto da nota que poría á Xunta: un suspenso claro. En todo este tempo, desde marzo do ano pasado, cando saltou a pandemia, o presidente non me chamou nin unha soa vez para preguntarme como está a situación en Lugo nin para me trasladar ningunha información. Eu vexo que el pide constantemente cogobernanza ao Goberno do Estado, que me parece moi ben, pois se formamos parte dun Estado descentralizado hai que facelo, pero iso tamén ten que trasladarse cara a abaixo e, polo menos, o presidente ten que ir ás deputacións, ás grandes cidades e á Fegamp para explicar e recoller as opinións e propostas. Por outro lado, do diñeiro que recibe a Xunta do Estado e da Unión Europea para a pandemia, os concellos e as deputacións non vemos un euro. Neste contexto, o que non pode facer a Xunta é pedir á Administración local que achegue diñeiro. A competencia é súa e os fondos tenos vostede. Nós non nos negamos a colaborar, mais que sexa de maneira proporcional. Non nos poden pedir pagar o 30% cando eles non pon nin o 1%, e enriba con fondos que lles chegan de fóra. Eu respecto o presidente de todos os galegos, que foi elixido nunhas eleccións -aínda que penso que se viu beneficiado pola pandemia e que os resultados serían outros se fosen antes-, mais aquí os galegos non estamos para coidar o culete ao Sr. Feixoo. Aquí as administracións estamos para atender a cidadanía. O país non é el afortunadamente. Unha das cuestións que ten provocado diverxencias entre as deputacións da Coruña, Ourense e Lugo e o Goberno galego é o plan de axudas á hostalaría. Como está arbitrando a Deputación as axudas ao sector e cales son os motivos que levaron a Xunta a non destinar o 1% do seu orzamento á hostalaría tal como lle demandaban? A Xunta leva moita demagoxia con todo isto. Hai uns meses dixo que sacaba un plan de entre 2.000 e 7.000 euros a estabelecementos e a media das axudas foron de 1.500 euros. Unha cousa é o que se di e outra o que fai e aquí estase a facer unha política de campaña, pero non unha política real de axuda. As deputacións pedimos que a Xunta achegase o 1% do orzamento -110 millóns-, porque só puxera o 0,43; nós poríamos o 1% -no noso caso sería 1 millón en números redondos-, os grandes concellos igual e a iso sumaríamoslle outros 15-20 millóns para repartir conxuntamente nunha bolsa única, como o Plan Valencia. Alí quen dá as axudas son os concellos, mais o PP aquí non quixo, porque das grandes cidades non goberna ningunha. A pandemia aumentou as necesidades dos concellos e tamén mudou en certa medida as súas urxencias. Cales son as liñas de axuda aos concellos que están priorizando? Os recursos son finitos e cada deputación e cada concello ten un límite de orzamento, no noso caso son 92 millóns, incluídos 2 millóns de achega ao Consorcio de Bombeiros. Habilitamos liñas para que os concellos destinen axudas aos comercios e á hostalaría, no marco do Plan único, que sobe a 21,5 millóns. Ademais, adiantamos os fondos que achegamos aos concellos para dotalos de liquidez e incrementámoslle a teleasistencia e as campañas de axuda ao consumo. Por outra banda, estamos con representantes das asociacións de hostalaría vendo programas para impulsar campañas de promoción. PSOE e BNG levan gobernado na Deputación de Lugo, aínda que de maneira interrompida, desde 2007. Cales son as chaves do funcionamento deste pacto? Teño que felicitarme e felicitar os socios de Goberno polo bo funcionamento que estamos tendo. Falta a primeira gota de diverxencia no noso goberno e isto baséase en ser leais e na confianza mutua, en ter un acordo claro de cales son as competencias de cada un. Somos un Goberno modelo para outras institucións. Enténdome perfectamente con Maite [Ferreiro, a vicepresidenta], e as relacións dos dous socios son modélicas. Espero continuar así e que ao final do mandato alguén se fixe para outras posibilidades e non repitamos o que ocorreu na Xunta nalgún momento porque ao final iso dá mal resultado. Na súa condición de referencia dos socialistas en Lugo, que valoración fai da resolución da Audiencia onde se arquiva a causa aberta por Pilar de Lara contra o ex alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, e o ex presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro? Para min foi unha satisfacción que por fin se arquivara este caso, dos moitos que se levan arquivado e dos que fican por arquivar desta xuíza. Estase a demostrar claramente que fixo unha persecución política. Alégrome pola situación persoal de Orozco e Besteiro, aos que non só se lles furtou a súa carreira política, a un como alcalde e a outro como aspirante á Xunta da Galiza. No eido persoal afectoulles moito, quedas dalgunha maneira señalado. É algo que afecta, sobre todo, ao persoal, pois cada un pode retomar a súa vida pública como considere. Sobre todo no plano persoal alegreime moitísimo. Chameinos para felicitalos e para pórme á súa disposición e desexarlles o mellor. Como dirixente moi próximo ao actual secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que agarda do proceso congresual deste ano? Eu quedo a disposición do partido e hai que ser leais aos compañeiros que están á fronte até que remate o mandato. A partir de aí haberá que valorar quen se presenta e opta aos diferentes cargos e atender ao que diga a militancia. Afortunadamente temos a posibilidade de poder votar, non como noutros partidos da dereita onde sinalan o candidato e dirixente, que parece que ten a beizón dunha man suprema e non o elixen as bases. A día de hoxe non sei quen se vai presentar. |
PRAZA_11891 | Fóra dos premios do 41 IFFR quedaron dúas das miñas favoritas (non as ía acertar todas!). Ao ruso Vasily Sigarev pesoulle esta última noite a súa frase "quizais o poderei explicar despois" cando o presentador da gala lle preguntou sobre a escena de Living que o cineasta ruso escollera para a cerimonia (ese 'despois' nunca chegou). Tampouco quixeron recoñecer os xurados o valor de Voice of My Father. | Logo de once días de máxima actividade o IFFR agasállanos unha xornada de asueto na que decidín tomar a mañá libre. Onte superaba as 40 películas, unha barreira que hai uns días parecía inalcanzable, pero que co tirón final chegou un día antes de que as pantallas se apagasen. Na oficina do festival miro pola xanela a neve que onte caía con forza e que hoxe nos dá un respiro para gozar do fin de festa. Pola miña banda vou contarvos un par de cousiñas sobre os meus últimos visionados e outros retrincos desta semana. O romanés Radu Muntean, gañador en Xixón hai dúas edicións con Tuesday After Christmas, e o seu compañeiro Alexandru Baciu (que desta volta é co-director, pero normalmente guionista), presentan o seu documental Visiting Room. Unha ollada sobre as relacións de parella entre presos de ambos os dous sexos que demostra que o amor infantil pode producirse nos lugares máis insospeitados. Este ensaio en forma de batería de totais recolle declaracións duns namorados que contan como, cando e por que decidiron estreitar lazos, revelando de forma divertida as artimañas que utilizan para enganar ao sistema e poderse ver con maior regularidade. Unha sala de visitas á que o espectador entra grazas á cámara desta parella de directores romaneses que deixaron de lado a ficción para explorar a realidade cun proxecto moi persoal auspiciado, nin máis nin menos, que pola cadea americana HBO. As emocionantes declaracións dos protagonistas interrómpense con planos de recurso que mostran como é o ambiente nos exteriores do cárcere. Non me quedei ao Q&A, pero intúo que isto se debe a que non permitiron que Muntean gravase mais alá das paredes da cela e dos lugares públicos das prisións que aparecen na súa película. Pausa, café e cigarro; un mal hábito que repito con frecuencia (desta volta na casa mentres escribo). Onte pisei por primeira vez a sala 1 do Cinerama, reservada a grandes películas. Francophenia (or: Don't Kill Me, I Know Where the Baby Is) é a última creación do actor James Franco e do seu amigo Ian Olds. A peza percorre o último día de rodaxe da serie General Hospital, que nunca chegou a mostrarse ao publico nos Estados Unidos. Acompañamos a Franco (apelido o protagonista e tamén nome do seu personaxe no outro lado do espello) polos corredores da MOCA (The Museum of Contemporary Arts, Los Angeles) nunha viaxe psicotrópica que se sustenta sobre a voz dun eu interior perdido e confuso, a través de planos que se conxelan, que se saturan de cor ou se mergullan en efectos estraños, para tamén confundir ao espectador. O coqueteo de James Franco coas drogas é pasto do humor e as siluetas da porta do servizo de cabaleiros cobran vida para rebater ao señorito os seus delirios de grandeza, os seus argumentos filosóficos de andar por casa, e un primeiro ensaio aos mandos dunha cámara que non te deixa indiferente, pero que queda só niso. Un punto e aparte merece a cinta Now, Forager: A Film About Love & Fungi. Os realizadores Jason Cortlund e Julia Halperin lévannos a percorrer os bosques da costa este dos Estados Unidos na procura de todo tipo de cogomelos (comestibles, gourmet, outros raros e amargos, os que che fan flipar, e os que te matan), para construír unha analoxía moi ben executada entre estas pequenas habitantes da natureza outonal e a vida mesma. Valéndose de numerosos planos detalle, coma se dunha guía para o afeccionado á micoloxía se tratase, constrúen un receitario sobre as relacións de parella, as expectativas frustradas, e ao mesmo tempo critican o Fast Food e a superficialidade chea de prexuízos da clase alta 'made in USA'. A construción da historia, pausada e reflexiva, está na liña de Paul Gordon, que xa abría un camiño en cinema sobre a Slow Food (en ton cómico) con The Happy Poet. De feito, nótase a influencia da Universidade de Texas nestes novos talentos que teñen o seu punto de apoio no festival South by Southwest. Cambio de tema a modo de último apuntamento. Fóra dos premios do 41 IFFR quedaron dúas das miñas favoritas (non as ía acertar todas!). Ao ruso Vasily Sigarev pesoulle esta última noite a súa frase "quizais o poderei explicar despois" cando o presentador da gala lle preguntou sobre a escena de Living que o cineasta ruso escollera para a cerimonia (ese 'despois' nunca chegou). Tampouco quixeron recoñecer os xurados o valor de Voice of My Father. E é que os tres Tigres empezan a quedar curtos para a competición central de Róterdam. Agora lembro algún comentario sobre o insólito de me pór coma obxectivo ver todas as propostas da Tiger Competition. Descoñezo a calidade da selección en edicións anteriores, pero en 2012 creo que o listón estivo moi alto. Voume coa espiña cravada de perderme 38 témoins de Lucas Belvaux, Oslo, August 31st do danés Joachim Trier; de novo quedeime sen ver Abrir puertas y ventanas. Pero marcho contento, con grandes descubrimentos, a satisfacción de ver as salas cheas (sempre unha boa noticia) e a retina saturada de cinema "de autor" (seica hai outro?). Isto non é unha despedida, é un ata loguiño. E agora, co voso permiso, voume emborrachar. Web do Festival de Rotterdam Infórmate sobre cinema lendo A Cuarta Parede |
NOS_50359 | O documento remitido por Salvemos Cabana incide en que o plan de explotación deseñado pola empresa canadiana "non é sostible nin ambiental nin socialmente debido ao método empregado para recuperar o ouro" | Dende a plataforma Salvemos Cabana, entenden que se fai necesario informar que o proceso de hidrometalurxia empregado para recuperar o ouro leva consigo grandes riscos polas inmensas cantidades de auga e cianuro de sodio que é necesario empregar, e que ademáis o proxecto "permitirá un almacenamento máximo de ata 50 toneladas de cianuro no complexo", o que pode supoñer unha ameaza "mesmo maior" ao tratarse dun produto industrial altamente velenoso. Na propia Resolución do Parlamento Europeo do 5 de maio de 2010, sobre a Prohibición do uso de tecnoloxías mineiras a base de cianuro -indican-, este composto considérase como unha ameaza potencial para a saúde humana e o medio, e aínda que non se prohibe o seu uso, pídese aos estados membros "que non presten apoio, de forma directa ou indirecta, a ningún proxecto mineiro na UE no que se empreguen tecnoloxías mineiras a base de cianuro, nin avalen proxectos desas características en terceiros países". Por todo iso, consideran que "o proxecto mineiro de Corcoesto presenta unha incompatibilidade manifesta coa Directiva Marco da Auga, cuxo obxectivo é garantir a protección deste elemento e promover un uso racional e sostible que garanta a dispoñibilidade deste recurso a longo prazo". |
PRAZA_8299 | De entre as trifulcas máis recorrentes no seo do bizantinismo interno da esquerda política ningunha é tan aborrecida e habitual como aquela que establece a polarización ideolóxica dentro da organización entre unha pola gradualista socialdemócrata e outra vangardista revolucionaria. | De entre as trifulcas máis recorrentes no seo do bizantinismo interno da esquerda política ningunha é tan aborrecida e habitual como aquela que establece a polarización ideolóxica dentro da organización entre unha pola gradualista socialdemócrata e outra vangardista revolucionaria. Estas foron, co permiso dos libertarios, as dúas grandes estratexias históricas da esquerda, polo menos en Europa, para transformar politicamente a realidade. A estratexia socialdemócrata conseguiu os seus propios triunfos, sobre todo despois da segunda guerra mundial e en boa medida pola existencia como ameaza xeopolítica e polo de atracción utópico para as clases traballadoras occidentais da Unión Soviética A estratexia vangardista revolucionaria triunfou, á hora de tomar o poder e dirixir o Estado, na revolución do 1917; pero a incapacidade de levar á práctica as promesas dun mundo mellor chegaría ao paroxismo co colapso da URSS en 1989. Por outra banda, a imposibilidade de que a revolución se propagase tamén por Europa occidental demostrou, xa naquel incipiente século XX, que a experiencia rusa sería máis unha excepción ca unha norma. A estratexia socialdemócrata conseguiu os seus propios triunfos, sobre todo despois da segunda guerra mundial e en boa medida pola existencia como ameaza xeopolítica e polo de atracción utópico para as clases traballadoras occidentais da Unión Soviética, pero este triunfo provocou a condición de posibilidade da súa propia derrota futura: a integración material e ideolóxica das clases traballadoras no capitalismo. Derrota hoxe incuestionable cando asistimos ao espectáculo patético que ofrecen uns partidos socialdemócratas impotentes para evitar o desmantelamento do estado do benestar. E é que como dicía o historiador Josep Fontana nunha entrevista recente: Rematou unha época, a da vella política máis ou menos socialdemócrata, nas que as cousas se negociaban. É difícil darse de conta de ata que punto, durante 200 anos houbo efectivamente uns medos que xustificaron que quen tiñan os recursos nas súas mans aceptasen negociar. Eran uns medos irracionais. Pero eran medos. Agora, a esixencia á xente para que baixe os seus soldos estase a converter nunha cousa sistemática. Rematou negociar. Decidiron que as cousas teñen que mudar e que imos a un proceso de crecemento da desigualdade. Pero se esas categorías que hoxe polarizan absurdamente as esquerdas políticas non son máis ca falsas polarizacións produto da incapacidade da propia esquerda para pensarse de xeito crítico a si mesma, cales son as categorías que deberían actuar coma verdadeiros estremos polarizantes na vida interna das organizacións? Na miña opinión a polarización real no seo da esquerda política radica nestas dúas contraposicións: A segunda das contraposicións é aquela que se dá entre os que apostan pola democracia radical no seo das organizacións e os que seguen a concibir estas coma coutos pechados A primeira, a que se dá entre os que saben que non hai mudanza sen sociedade civil organizada e coñecedora da súa forza, é dicir, sen suxeito político consciente e articulado, e os que pensan que, sexa na modalidade reformista socialdemócrata ou sexa na modalidade vangardista revolucionaria, é posible seguir a exercer de representantes sen representados. De vangarda sen masas. De partido sen movemento. A segunda das contraposicións é aquela que se dá entre os que apostan pola democracia radical no seo das organizacións e os que seguen a concibir estas coma coutos pechados, a modo de altos mandos militares, nos que pairan pequenos grupos dirixentes e fontaneiros de medio pelo. Nesta cuestión é especialmente absurda a contraposición entre reformistas e revolucionarios se tanto dentro dos herdeiros dunha tradición como nos da outra é posible atopar inimigos da democracia radical, dos liderados compartidos, da toma de decisións colectivas, da socialización da información e da apertura total á participación social. |
NOS_31442 | Superan xa os corenta. | O número de concellos galegos no nivel máximo de alerta, o 3, pola incidencia de coronavirus na última semana aumentou esta quinta até os 41, dous máis que a xornada anterior. En concreto, ascenden a este nivel vermello o concello de Culleredo e fano tamén os de Xinzo de Limia e Viana do Bolo, mentres que Salceda de Caselas sitúase, en comparación á xornada de onte, no nivel dous. Segundo consta no mapa 'semáforo' actualizado diariamente pola Consellería de Sanidade, repiten en nivel 3 pola pandemia as cidades da Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo; así como os municipios de Ames, Arteixo, Cambre, Carballo, Fene, Muros, Narón, Oleiros, Pontedeume e Teo, na provincia da Coruña. Monforte, Barbadás, O Carballiño, Ribadavia e Verín seguen nese nivel. Os municipios de Cangas, A Estrada, Gondomar, Lalín, Marín, O Porriño, Poio, Ponteareas, Redondela, Ribadumia, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Tui e Vilagarcía de Arousa seguen en alerta vermella. A entrada no nivel máximo de risco de todas estas localidades implica que detectaron máis de 21 casos de coronavirus no últimos sete días. Con todo, nas urbes de máis de 50.000 habitantes, o limiar para detectar o aviso vai en función do tamaño: Ferrol -máis de 76 casos nunha semana, Pontevedra -máis de 96-, Santiago -máis de 112-, Lugo -máis de 112-, Ourense -máis de 120-, A Coruña -máis de 276- e Vigo -máis de 332-. Mentres, en situación 2 -na cor laranxa do mapa- sitúanse 26 concellos, tres máis que onte,: Ares, Arzúa, Boiro, Boqueixón, Brión, Cerceda, A Laracha, Neda, Ordes, Ponteceso, Sada, Santa Comba, Valdoviño e Oza de Cesuras; Cospeito, A Fonsagrada, Allariz e Monterrei. A esta listaxe hai que engadir Cambados, A Cañiza, Cuntis, Mos, Nigrán, Salceda de Caselas -que pasa do nivel tres a este segundo- e Cercedo-Cotobade. En cor laranxa inclúense municipios de máis de 50.000 habitantes con entre 138 e 332 casos novos de COVID-19 á semana por 100.000 habitantes e nos de menor poboación que presenten entre 14 e 20 casos |
NOS_13060 | O primeiro ministro do Reino Unido presentará a súa renuncia esta mesma quinta feira, segundo informa a 'BBC' británica. | A canle de televisión británica BBC informou hai escasos minutos da inminente dimisión do primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, após a dimisión en masa de varios altos cargos do seu Goberno nas últimas horas. Segundo a mesma información, Johnson renunciará ao seu cargo na tarde desta mesma quinta feira e o seu relevo chegará de cara ao outono. Esta terza feira presentaron as súas respectivas cartas de dimisión os titulares de Sanidade, Sajid Javid, e Facenda, Rishi Sunak, que cuestionaron a "competencia" de Johnson para liderar o Goberno, e a eles sumáronse o secretario de Estado da Infancia, Will Quince, o de Educación, Robin Walker, o de Finanzas, John Glen, e o de Vivenda, Stuart Andrew, amais da enlace do lexislativo co Ministerio de Transporte, a deputada Laura Trott. Detrás destas dimisións está o cuarto escándalo sexual entre os conservadores nos últimos dous meses, ao saltar á palestra pública a semana pasada o acoso do xefe adxunto do Executivo no lexislativo, Chris Pincher, a dous homes nun club, o que impulsou as denuncias de máis dunha ducia de homes -incluídos integrantes da formación- ao ser vítimas de comportamentos non apropiados na última década por parte de Pincher, que dimitiu un día despois. Un escándalo de abusos sexuais ameaza con tombar Boris Johnson Aínda que nun primeiro intre Downing Street afirmou que Johnson non coñecía ningunha acusación en contra de Pincher, que até febreiro foi ministro de Vivenda, a comezos desta semana tivo que recoñecer que o primeiro ministro si que era consciente das denuncias e non actuou. Antes de entrar no Goberno, o mesmo Johnson o definira como un "sobador". Hai cinco anos Pincher xa tivera que dimitir do seu cargo na Cámara dos Comúns por facer proposicións sexuais non desexadas a un atleta olímpico e potencial candidato dos conservadores nos comicios, até que na etapa de Theresa May foi reincorporado. Especialmente importante para a continuidade do gabinete é a marcha de Quince, un dos maiores defensores do primeiro ministro até que asumiu que mentira ao soster que non era consciente das acusacións. "O país merece algo mellor", aseverou o ex secretario de Estado ao anunciar a súa marcha, reiterando que lle garantiran que non tiñan información previa sobre os comportamentos de Pincher. |
NOS_14362 | Un punto separa ás do sur da Galiza da súa meta | O Mecalia Atlético Guardés conclúe hoxe ás 19 horas o seu camiño no curso 2021/22 na pista do Saúde Tenerife co obxectivo, aínda sen fechar, de lograr a que sería a súa décima clasificación consecutiva para competir en Europa, tantas como tempadas acumula na División de Honra de balonmán. Con esa misión viaxa á illa un conxunto miñoto do que estará á fronte por derradeira vez José Ignacio Prades. O técnico de Petrer, o mellor da historia do club, escribirá no barrio tinerfeño da Saúde o último capítulo do seu magnífico libro no Guardés. E, por suposto, quere facelo deixando o equipo que o ano próximo dirixirá o seu compañeiro de corpo técnico, Abel González, en postos europeos. Para logralo bástalle un punto teoricamente sinxelo de lograr ante unha escuadra tinerfeña que leva semanas descendida e que nunca tivo opcións reais de permanencia ao longo da campaña, a pesar dos numerosos cambios de xogadoras e no corpo técnico, sumando até o de agora soamente cinco puntos. O encontro será moi especial tamén para Paula Arcos, Gabriela Pessoa e Nazaret Calzado, que deixan o Atlético Guardés, e máis aínda para Estefanía Descalzo, que xogará o seu último partido na elite, pois a valenciana retírase tras unha magnífica carreira para centrarse no seu labor profesional como enfermeira, que alternou coa súa actividade deportiva en gran parte da súa traxectoria. Arcos, Pessoa e Calzado, pola súa parte, continuarán coas súas traxectorias noutros clubs. Adeus na casa do Balonmán O Porriño O outro representante galego na máxima categoría do balonmán estatal, o Conservas Orbe Rubensa Balonmán O Porriño, afrontan un final ligueiro -contra o Granollers, hoxe ás 19 horas- máis tranquilo, pois xa está salvado e non ten opcións de xogar en Europa o próximo ano. Con todo, o seu adestrador, Ismael Martínez, non está de todo satisfeito: "Penso que non completamos os obxectivos que formulamos a comezo de tempada, aínda que si o mínimo da permanencia, e con bastantes semanas de antelación, pero tanto o club como xogadoras e corpo técnico desexabamos estar un pouquiño máis arriba, como mínimo entre as oito primeiras". |
PRAZA_3604 | Feijóo evidencia que as persoas doutras autonomías poden ficar en Galicia, pero "confinados, como o resto". Sobre a fronteira con Portugal, confirma que Sánchez e Costa abordarán por videoconferencia as medidas a tomar nos tránsitos na raia | D.L / D.R.Tras a videoconferencia co presidente do Goberno de España e cos seus homólogos do resto de autonomías e nunha intervención novamente "en castelán, porque non me dirixo só aos galegos e ás galegas, senón tamén aos cidadáns doutros lugares que agora están connosco en Galicia", Alberto Núñez Feijóo abordou tamén a inquietude existente nalgunhas vilas galegas pola chegada, nos últimos días, de persoas doutras autonomías cara ás súas segundas residencias. A elas pídelles "mesura" e á poboación galega, "non estimagizalas".Feijóo evidencia que as persoas doutras autonomías poden ficar en Galicia, pero "confinados, como o resto"Este, asegurou o titular do Goberno galego, foi tamén un dos abordados na videoconferencia con Sánchez. O decreto do estado de alarma permítelles volver aos seus lugares de residencia habitual ou permanecer onde estean, "iso si, confinados como o resto", salientou Feijóo, que quixo enviarlles unha "mensaxe de mesura e civismo". Ao tempo, o titular da Xunta advirte o resto da poboación de que "non debemos estigmatizar a ninguén que estea en Galicia". Neste sentido, atribúe á lentitude do Goberno central en tomar medidas xerais para todo o Estado "os movementos dos últimos días". Esa é a razón, ao seu xuízo, de que Galicia xa se atope nunha situación similar ao resto de España canto ao risco de expansión do coronavirus.Fronteira con PortugalSánchez e Costa abordarán por videoconferencia as medidas a tomar nos tránsitos na raiaTamén sobre a mobilidade, Feijóo afirma que pediu a Sánchez ter en conta dende o Goberno central as peculiaridades da fronteira de Galicia con Portugal, para adoptaren nela as mesmas restricións de movementos que no interior de España. Segundo dixo, Sánchez remitiuse á videoconferencia prevista para este domingo co primeiro ministro portugués, António Costa, para regular e homoxeneizar eses tránsitos.Á marxe dos contactos bilaterais que poida haber, os presidentes autonómicos quedaron citados a una nova videoconferencia entre todos eles e Pedro Sánchez o próximo domingo, 22 de marzo. |
NOS_21204 | A socialista Eva García de la Torre declarará en relación á posíbeis irregularidades na adxudicación de contratos para servizos de limpeza viaria ou xardinería. | A rexedora do Porriño, a socialista Eva García de la Torre, declarará o vindeiro 5 de outubro nos xulgados deste municipio como investigada por un delito de prevaricación administrativa. Neste procedemento, que decorre no xulgado de instrución número 2, están investigados Manuel Carrera, quen foi edil de Vías e Obras polo partido Unión Democrática da Louriña e logo polo PP, e mais Orlando Márquez, exconcelleiro socialista de Limpeza. Tamén varios empresarios e unha empresa de asesoría. A investigación comezou hai varios anos, ramificándose en diversos procedementos a raíz de varias denuncias, algunhas do PP. Neste caso concreto, investíganse supostas irregularidades na adxudicación dos contratos para servizos de limpeza viaria ou xardinería entre outros. A actual alcaldesa admitiu publicamente que podería haber irregularidades administrativas, se ben descartou a prevaricación. García de la Torre xustificou ante a Fiscalía a adxudicación dos contratos pola necesidade de que o Porriño dispuxese dos servizos mentres se traballaba no procedemento dunha licitación. Tanto Carrera como Márquez declararon xa por esta causa, mentres que o 5 de outubro está fixada a quenda da alcaldesa. |
PRAZA_515 | A poboación menor de 35 anos descende nas 53 comarcas galegas. Nos últimos cinco anos o número de mozos e mozas caeu un 13% en Ferrolterra ou Vigo e en zonas coma A Fonsagrada, O Ribeiro ou Terra de Celanova a caída rolda o 20%. | Os datos pesan máis que a retórica. Estatística tras estatística constátase a perda de poboación nova en Galicia, polos motivos xa coñecidos: baixa natalidade, unha constante e masiva emigración de mozos e mozas a outros territorios do Estado e ao extranxeiro, e a escasa capacidade de Galicia e atraer inmigración nova. As cifras poboacionais de referencia publicadas hai uns días polo IGE, a partir das últimas estimacións intercensais de poboación do INE, constatan este descenso consolidado: nos últimos cinco anos o número de persoas menores de 35 anos residentes en Galicia reduciuse nunhas 115 mil persoas (un 11,4% menos). O descenso real é seguramente maior, pois moitas persoas que marchan tardan aínda un tempo en oficializar o seu novo empadroamento. As cifras da EPA, por exemplo, sinalan unha diminución de 142 mil mozos e mozas entre 16 e 35 anos dende 2008 O descenso real é seguramente maior, pois moitas persoas tardan un tempo en oficializar o seu novo empadroamento. As cifras da EPA sinalan unha diminución de 142 mil mozos e mozas entre 16 e 35 anos dende 2008 O descenso prodúcese nas 53 comarcas que forman o país e en absoluto é un fenómeno que afecte exclusivamente ás zonas rurais aos concellos pequenos. As cidades e as comarcas urbanas tamén quedan sen mozos e mozas. De feito, resulta particularmente preocupante a situación de Ferrolterra, que perde case 8 mil persoas dende o 2009 (un 13%), ou o de Vigo, con 21 mil menos (un 12,5%). O mesmo sucede en comarcas importantes e cunha innegable vitalidade, coma O Morrazo (12,37%), Barbanza (-11,3%) ou O Salnés (-10,5%). As maiores caídas prodúcense en A Fonsagrada (-21%), O Ribeiro (-20,76%), Terra de Celanova (18,82%), Muros (-17.7%), O Carballiño (-16,85%), A Baixa Limia (-16,84%), Terra de Soneira (-16,3%), Valdeorras (-15,56%), Terra de Montes (-15,38%), Deza (-15,34%), A Mariña Occidental (-14,9%), Fisterra (-14,4%), Sarria (-13,72%), Terra Chá (-13,35%), Noia (-13%), Eume (-12,9%) ou Ordes (-12%). Se comparamos o dato de 2014 co de 2004, observamos que a caída se amplía ata un 15,7% no conxunto de Galicia, 174 mil mozos e mozas menos. En Ferrol, ese descenso é do 19,8% e en Vigo supera o 17%. Comarcas coma A Fonsagrada (-35%), A Baixa Limia (-35%), O Ribeiro (-32,6%), Muros (-30,16%), Terra de Celanova (-29,95%), Terras de Soneira (-28,4%), Noia (-23%) ou Valdeorras (-22,8%) perderon nunha década un cuarto e mesmo un terzo da súa poboación menor de 35 anos. 2004 2009 2014 Galicia 1.070.735 1.011.741 896.792 Arzúa 6.318 5.491 4.890 Barbanza 28.949 27.249 24.174 A Barcala 4.083 3.722 3.358 Bergantiños 26.824 24.550 21.804 Betanzos 13.410 12.589 11.403 A Coruña 148.871 146.421 132.202 Eume 10.723 9.417 7.929 Ferrol 61.052 56.667 48.924 Fisterra 9.560 8.411 7.199 Muros 5.558 4.704 3.869 Noia 14.131 12.525 10.894 Ordes 14.788 13.901 12.218 Ortegal 5.056 4.157 3.351 Santiago 63.659 63.608 58.912 O Sar 6.946 6.356 5.543 Terra de Melide 4.789 4.178 3.683 Terra de Soneira 7.750 6.655 5.563 Xallas 5.971 5.188 4.226 Os Ancares 3.707 2.976 2.430 Chantada 4.729 4.073 3.513 A Fonsagrada 1.854 1.502 1.183 Lugo 43.644 42.940 39.311 A Mariña Central 11.078 10.856 9.649 A Mariña Occidental 10.300 9.692 8.242 A Mariña Oriental 5.631 5.448 4.755 Meira 1.856 1.529 1.353 Quiroga 1.853 1.496 1.255 Sarria 8.234 7.458 6.429 Terra Cha 14.803 13.091 11.343 Terra de Lemos 10.053 9.161 8.199 A Ulloa 3.283 2.902 2.477 Allariz-Melide 4.456 4.192 3.901 Baixa Limia 2.378 1.858 1.538 O Carballiño 9.483 8.873 7.371 A Limia 7.212 6.505 5.735 Ourense 54.234 51.397 46.270 O Ribeiro 5.790 4.916 3.899 Terra de Caldelas 984 715 590 Terra de Celanova 6.004 5.186 4.207 Terra de Trives 1.475 1.225 1.001 Valdeorras 10.599 9.691 8.182 Verín 9.117 8.498 7.610 Viana 2.295 2.070 1.868 O Baixo Miño 20.999 20.783 18.697 Caldas 14.975 13.907 12.337 O Condado 16.771 17.322 15.852 Deza 16.625 15.640 13.247 O Morrazo 36.959 34.352 30.097 A Paradanta 5.354 4.757 4.119 Pontevedra 50.235 47.952 44.195 O Salnés 47.326 45.611 40.820 Tabeirós-Terra de Montes 10.565 9.375 7.929 Vigo 177.448 168.000 147.153 Poboación de menos de 35 anos nas comarcas galegas. Fonte: IGE |
NOS_18924 | As honras fóronlles retiradas polo Goberno anterior, de BNG e PSOE, en cumprimento coa Lei de memoria histórica. A nova alcaldesa, que posúe maioría absoluta, volveu incluír os seus nomes na páxina web do municipio, tratándoos de "ilustres militares" | De "ilustres militares" trata na súa páxina web o Concello de Marín a Salvador Moreno Fernández e Pedro Nieto Antúnez, dous fascistas que fixeron parte do levantamento do 18 de xullo de 1936 contra a república e que posteriormente ocuparon o cargo de ministros de Marina baixo o mando de Franco. En cumprimento da Lei de Memoria Histórica, as honras fóranlles retiradas a ambos nun pleno do Goberno anterior, unha coalición entre PSOE e BNG encabezada por Francisco Veiga (PSOE). Mais a nova corporación municipal, liderada con maioría absoluta por María Ramallo (PP), volveu colocar a Moreno e Nieto na listaxe de fillos adoptivos do municipio. "Rexistraremos unha reclamación por escrito para que os nomes destas dúas persoas sexan retirados de inmediato", informou a voceira nacionalista en Marín, Pilar Blanco, após coñecer os feitos, que cualificou de "flagante incumprimento da lei". Entende Blanco que a colocación deses dous nomes na web municipal "é intencionada", xa que a páxina foi creada recentemente e pola equipa conservadora. Sinalan os textos que acompañan os nomes dos dous fascistas que foron nomeados fillos adoptivos "por decisión plenaria", se ben non se inclúe ningunha data. Foi en 1944 cando a corporación lles outorgou tal distinción, aínda na ditadura. Segundo informa o BNG de Marín, "hai que lembrar que Pedro Nieto é culpábel, entre outros feitos abominábeis, de tomar o Concello de Marín o 20 de xullo de 1936, e de deter entre outros, o alcalde da corporación democrática, Antonio Blanco Solla, mentres Francisco Bastarreche ocupaba as rúas de Marín coas tropas golpistas. Pola súa parte Salvador Moreno, atopábase en Ferrol durante a sublevación fascista contra o réxime democrático da República, na cal participou e onde foron asasinados moitos militares leais a legalidade vixente. Entre os moitos feitos delituosos nos que participou, destaca o asedio á cidade de Xixón, á cal someteu a intensos bombardeos". |
NOS_30582 | Unhas declaracións da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, provocan unha resposta que evidencia o inxusto reparto das axudas da Política Agraria Común no Estado español, onde a capital emerxe como a cidade que máis cartos recibe pese a contar só cun cento de explotacións rexistradas. | Os ministros e ministras de Agricultura da Unión Europea tratan de chegar estes días en Luxemburgo a un acordo sobre as normas que rexerán a nova Política Agrícola Común (PAC), que entrará en vigor en 2023, após a prórroga de dous anos acordada polos Estados membros polo atraso nas negociacións. O Estado español contará no novo marco orzamentario (2021-2027) con menos fondos que no precedente. Así, no primeiro alicerce, destinado ao apoio directo ás rendas, a rebaixa será de 9,63%, ao pasar de 286.143 millóns de euros aos 258.600, mentres que o segundo piar, o do desenvolvemento rural, tamén se verá afectado por unha redución que oscila entre 19,7% e 11,2%. Como denuncian as organizacións agrarias, os pagamentos seguen a beneficiar un importante número de persoas que non teñen a actividade agropecuaria como actividade principal. Así, indican, 80% das axudas son cobradas soamente por 20% dos e das beneficiarias. Pola contra, 80% de beneficiarias téñense que conformar con 20% do orzamento, "unha distribución a todas luces inxusta", valoran desde a Federación Rural Galega (Fruga). "Sendo o Estado español o segundo Estado da UE que máis orzamento recibe das axudas da PAC após o francés, resulta que o importe dos apoios que reciben as explotacións galegas son dos máis baixos de toda a UE e isto é debido a que o Estado español sempre priorizou, no criterio de reparto, aos grandes propietarios, moitos deles absentistas, e que, na maior parte dos casos, non se dedican profesionalmente á actividade agropecuaria", engaden. O paradoxo de Madrid Unhas declaracións da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, acenderon un debate sobre as subvencións nos distintos territorios. Ao parecer, a titular do Executivo madrileño afirmara que a xente marchaba a Madrid "porque non quere estar subvencionada". Esta afirmación levou a Fundación Savia, unha entidade andaluza comprometida cos valores no medio rural, a lembrarlle a Ayuso que sen a produción agrogandeira "as cidades simplemente non poderían ser". Pero a cousa non quedou aí. Tamén incluíron na súa resposta cifras que non deixan de sorprender, como a afirmación de que o municipio do Estado español que máis fondos agrarios recibe da PAC é Madrid, que, coas súas 101 explotacións rexistradas no termo municipal, conta con 10.821 persoas beneficiarias da PAC que reciben algo máis de 206 millóns de euros, unha cifra que se eleva a 273 millóns e 20.932 beneficiarias no conxunto da Comunidade. Os datos van na liña dun informe presentado por esta mesma institución que revela que 20,15% dos fondos da PAC teñen como destinatario final as cidades, mentres que os pequenos pobos só acollen 48,85%. Así mesmo, advirten que a gandaría extensiva percibe 21% dos Dereitos de Pago Básico mentres que as agricultoras están en posesión de 79% restante. Reparto inxusto Este inxusto reparto dos fondos é o que critican na Galiza entidades como a Fruga, que entende que as axudas directas á actividade agrogandeira (as do primeiro piar) "teñen de ir dirixidos a aquelas persoas que teñen a actividade agrícola e gandeira como actividade principal, é dicir aquelas persoas que cando menos obteñan 50% da súa renda da actividade agraria exercida na súa explotación, e que o tempo dedicado a actividades non relacionadas coa súa explotación sexa inferior á metade do seu tempo de traballo total, co fin de evitar que as axudas acaben nas mans de especuladores e entidades que nada teñen a ver coa nosa profesión". Na mesma liña, o Sindicato Labrego Galego, que lamenta que o Estado español non recollera propostas a nivel rexional, reclama unha PAC que avance na transición cara a modelos agroecolóxicos, cun orzamento suficiente, cunha "axuda básica á renda" que responda ao seu nome, con axudas "ás persoas e non ás hectáreas", e cunha simplificación que a faga "entendíbel" para as persoas. |
PRAZA_9124 | Tras anunciar o PP para Andalucía un recorte dos coñecidos como 'chiringuitos', o presidente galego salienta que a Xunta suprimiu 69, cifra que o ente independente fiscalizador reduce en contía e importancia | Tras anunciar o PP para Andalucía un recorte dos coñecidos como 'chiringuitos', o presidente galego salienta que a Xunta suprimiu 69, cifra que o ente independente fiscalizador reduce en contía e importanciaUnha das principais medidas que está a anunciar o PP para a Junta de Andalucía agora que vén de obter a súa presidencia é un recorte da súa administración paralela, os coñecidos como chiringuitos. A iniciativa está a ter un importante eco en medios estatais e, nese contexto, este xoves o presidente Feijóo quixo presentarse a si mesmo como un adiantado nese eido: "Galicia foi pioneira en avaliar e reducir os seus entes paralelos", dixo, para cuantificar en 88 os suprimidos desde 2009. Pola contra, o Consello de Contas, organismo independente que fiscaliza á Administración autonómica, reduciu esa cifra á metade no seu seu último informe ao respecto, o terceiro consecutivo no que cualifica de "residual" o aforro logrado polos Gobernos de Feijóo.O xeito elixido por Feijóo para introducirse a si mesmo no debate sobre a redución de entes paralelos reaberto a raíz do cambio de goberno en Andalucía foi o de aprobar na reunión semanal da Xunta deste xoves un informe sobre a situación dos entes paralelos en Galicia, un tipo de documento sen valor legal empregado habitualmente polos gobernos de xeito propagandístico. Segundo ese informe, debullado por Feijóo, desde 2009 a Xunta suprimiu 88 entes paralelos e logrou un aforro de 90 millóns de euros.Na quenda de preguntas a Feijóo pedíuselle unha valoración sobre outro informe menos favorable que o seu, o que cada ano vén elaborando o Consello de Contas de xeito independente sobre a situación deses entes paralelos. O último, presentado hai menos de medio ano con datos a 1 de xaneiro de 2017, polo que desde aquela poderían variar algo as cifras, cuantificaba en 47 os entes suprimidos pola Xunta, case a metade dos anunciados por Feijóo, e deles 34 eran as fundacións comarcais espalladas por toda Galicia creadas durante os gobernos de Manuel Fraga. Contas cualifica de "residual" a importancia económica dos aforros logrados, que cuantifica en "menos do 1% dos fondos xestionados" por todos os entes paralelos da Xunta, o que leva a dicir que "a redución no sector é máis nominal que real"Ese informe do Consello de Contas, como os de anos anteriores, cualifica de "residual" a importancia económica dos aforros logrados, que cuantifica en "menos do 1% dos fondos xestionados" por todos os entes paralelos da Xunta, o que leva a dicir que "a redución no sector é máis nominal que real". Igualmente, Contas, que censura que a Xunta non fixo públicos eses plans de redución de entes nin actualiza o listado dos mesmos incumprindo así a lei desde 2010, tamén di que o feito por Galicia nese eido "se corresponde co acadado pola media autonómica". Feijóo admitiu que as súas cifras e as do Consello de Contas difiren, pero optou por quedarse coas propias, "datos nos que nos reafirmamos, un por un". Porén, a continuación matizou a cifra que dera previamente de 88 entes suprimidos e engadiu que, ao tempo, a Xunta creou neste tempo outros 19, polo que o saldo sería de 69 menos durante os seus gobernos. O presidente chegou dicir que o seu informe "está a disposición do Consello de Contas" e engadiu: "supoño que a Consellería de Facenda faría alegacións a ese informe". Efectivamente, Facenda e varios entes paralelos da Xunta presentan cada ano alegacións a Contas, que desestima a maioría e inclúe unhas poucas como matices menores ao seu informe final crítico co Goberno galego que fai público.34 dos entes suprimidos foron as fundacións comarcais creadas en tempos de Fraga, cuxos directivos Feijóo recolocou en postos creados de xeito específico para elesA cifra de 69 entes menos ofrecida por Feijóo, asumindo que a análise do Consello de Contas non está actualizada, difire en todo caso moito dos 47 que os fiscalizadores contabilizaron e cuxo efecto consideraron residual pola súa propia reducida entidade, ao ser 34 deles as anteditas similares fundacións comarcais. Os ex-directivos desas fundacións, por outra parte, foron recolocados pola Xunta en postos creados de xeito específico para eles en oficinas de emprego. Ao tempo, na última década o orzamento total destinado a soldos de altos cargos dos entes paralelos aumentou un 60%. |
PRAZA_16401 | O persoal forense do Imelga secunda o paro polo que lles foron descontados arredor de 800 euros a cada traballador que o secundou desde o pasado 7 de febreiro. | A folga do persoal da Administración de Xustiza en Galicia cumpre a súa décimo terceira xornada efectiva con máis de 7.000 xuízos suspendidos e uns 20.000 procedementos adiados. "Sen novidade nin avance ningún" desde que rachasen as conversas o pasado martes, Goberno e sindicatos seguen enfrontados. Feijóo advirte de que non haberá nova oferta económica e censura o "tic antidemocrático" dos representantes dos traballadores por reclamar que o director xeral da Función Pública, José María Barreiro, abandone a mesa de negociación. O comité acusa o presidente de "mentir" e "falsear" datos e avissan de que a "resposta" chegará este vindeiro sábado en forma de manifestación en Compostela. Tal e como relatan fontes do comité de folga, foi a suposta alusión de Barreiro ao "aforro" que a Xunta está a experimentar nos seus gastos ao non ter que pagarlle ao funcionariado en folga os cartos que se lle descontan por sumarse ao paro indefinido unha das cousas que máis molestou aos traballadores, ademais da recomendación de "marchar fóra" e presentarse a un concurso de traslados a outra autonomía de non estaren contentos coas súas condicións económicas en Galicia. Os traballadores ven descontado o seu salario nunha media de 67,5 euros por cada día que van á folga Segundo os datos que achegan os representantes dos traballadores, cada un dos que secunda a folga ve descontado uns 67,5 euros de media por día de paro, nunha franxa que vai desde os 62 euros de recorte duns funcionarios e os 73 doutros dependendo do seu posto. Atendendo aos datos oficiais de seguimento que ofrece a Xunta --moito menores dos que dan os sindicatos--, son arredor de 1.050 os funcionarios que secundan o paro de media cada xornada desde o pasado 7 de febreiro. Son, tendo en conta que o martes de Entroido foi festivo en moitas localidades e que o mércores seguinte non foi laborable en Pontevedra, unhas 12.000 xornadas afectadas polo desconto por paro. Xa que logo, un mínimo de 810.000 euros os que deixaron de cobrar estes funcionarios até este xoves, cantidade á que habería que engadir a rebaixa aplicable á parte proporcional das pagas extras: preto de 1 millón de euros. Entre 810 e 743 euros deducidos a cada folguista desde que comezara a protesta. Ao funcionariado en folga descontóuselle preto de 1 millón de euros desde que comezou a folga, entre 810 e 743 euros por xornada a cada traballador en paro Os forenses do Imelga únense á folga Por outra banda, a mobilización segue a apañar apoios entre o funcionariado e traballadores do sector da Xustiza. Médicos forenses do Instituto de Medicamento Legal de Galicia (Imelga) veñen de remitir un escrito dirixido aos representantes sindicais en folga para informarlles de que acordaron "por ampla maioría" secundar o paro. Os médicos forenses do Imelga da Subdirección de Santiago advirten de que son coñecedores das reclamacións por parte dos sindicatos á Dirección Xeral, "mantendo de forma activa o seguimento das negociacións". "Sorprendíanos que non figurasen nas reclamacións as condicións laborais do noso colectivo, sendo nós parte dos traballadores transferidos á Administración de Xustiza e afectados por calquera negociación neste ámbito", remarcan. Os forenses do Imelga únense á folga tras acordar a medida "por ampla maioría" Así, engaden que, "recentemente", foron coñecedores da mención dos médicos forenses dentro das negociacións. En concreto, este pasado martes transcendeu que a Xunta ofertaba para este colectivo unha suba retributiva de 100 euros ao mes, aplicable en dúas anualidades (2019 e 2020). Logo das reunións realizadas polo persoal da Subdirección, apuntan que se acordou "por ampla maioría" secundar a folga, cunha cadencia de "dous días por semana" e "respectando os servizos mínimos". Na xornada deste venres, por outra banda, funcionarios de Xustiza manifestáronse en varias dependencias de Galicia montando ringleiras para solicitar a dimisión de José María Barreiro ou, como no caso da Coruña, na Delegación do Goberno, con maletas de cartón na man, reclamando á Administración que convoque un concurso de traslado para "emigrar" como protesta simbólica para denunciar a "discriminación económica" que din sofrer con respecto a outros territorios do Estado. Ademais, os deputados galegos do PSOE no Congreso rexistraron este xoves unha batería de iniciativas na Cámara sobre o conflito na Xustiza galega e esixen ao Goberno central "que se implique, porque se está a cercenar o dereito fundamental dos galegos á tutela xudicial efectiva". Os socialistas lembran que "Feijóo votou a favor dunha moción socialista e logo saltou a decisión unánime do Parlamento galego" epiden a Executivo que "responsa sobre cantos e cales son os ámbitos territoriais de xestión de medios da Administración de Xustiza en España". "De disiparse a dúbida sobre que posto ocupa Galicia respecto do complemento autonómico transitorio, o conflito podería desenquistarse", aseguran. |
PRAZA_11209 | Xerardo Agrafoxo iniciou no 2016 cunha obra sobre Cuba unha serie de libros de viaxes, publicada por Galaxia, que continuou o ano pasado con 'Un país sen fronteiras', sobre Senegal, e que este ano dará ao prelo 'O lugar onde morrer', sobre o Brasil. Nesta entrevista cóntanos das súas experiencias e reflexións nos tres países | Xerardo Agrafoxo iniciou no 2016 cunha obra sobre Cuba unha serie de libros de viaxes, publicada por Galaxia, que continuou o ano pasado con 'Un país sen fronteiras', sobre Senegal, e que este ano dará ao prelo 'O lugar onde morrer', sobre o Brasil. O autor, coñecido polos seus ensaios sobre Historia ou por novelas coma 'O violinista de Malá Strana' ou 'A maleta de Victoria Kent', viaxa só, sen teléfono, sen rumbo prefixado, evitando as comodidades para turistas e tentando aprender o que poida sobre cada país, nunhas poucas semanas, falando coa xente que vai atopando. Nesta entrevista cóntanos das súas experiencias e reflexións en Cuba, Senegal e o Brasil.Son xa tres libros de viaxes: Cuba, Senegal e Brasil. Como xorde esta serie? Foi unha proposta túa a Galaxia?Foi una idea da miña alma viaxeira, despois de xubilarme como profesor de instituto. Pero conto sempre co apoio intelectual de Galaxia e co compromiso incondicional de Carlos Lema.Viaxas sen teléfono, ti só, sen rumbo prefixado, usando o mesmo tipo de transporte que utiliza a poboación local e durmindo en pequenas pousadas ou en casas particulares. En varias conversas recollidas nos libros dis que non es un "turista". En realidade, hai moitos turistas que din que eles son viaxeiros. Cales son, para ti, as diferenzas? A diferenza principal é que eu vou sen ruta definida. E, sobre todo, sen présas. Disposto a perderme en calquera lugar.. O meu lema é o de R. L. Stevenson: "O importante é partir"."A diferenza principal cun turista é que eu vou sen ruta definida. E, sobre todo, sen présas. Disposto a perderme en calquera lugar"Nótase nos libros que te documentas sobre os países que visitas. Ao final, é un traballo bastante semellante ao dun xornalista. De feito, os libros atópanse entre a crónica xornalista e a literatura. Cal é o teu obxectivo, ao respecto?Un ano antes de partir reúno crónicas xornalísticas sobre o país. Fago un caderno duns 300-500 mil caracteres que levo comigo. Para saber que lugares son os máis interesantes, dende un punto de vista histórico-cultural, consigo a Guía Verde Michelín, que sempre me resulta imprescindible. Despois leo os autores máis referentes. E algúns libros de historia. Na viaxe ao Brasil lin ao redor de 50 e consultei outros 50, aproximadamente.Tomas notas das conversas coa xente. Respectas o anonimato cando cómpre. Como traballas despois ese material? Porque dá a impresión de que vas escribindo a medida que vas avanzando na viaxe, e que retornas con boa parte do traballo feito.Escribo moito durante a viaxe, todos os días. Tomo notas na mesma entrevista cos cidadáns. Nunca tiven problemas. Agora, cando lles digo que poden comprobar que aparezo no Google, a conversa é máis fluída. A xente séntese moi agradecida por viaxar ao seu país para interesarme polas súas vidas.En Cuba estiveras 30 anos antes. Decides volver para ver como mudou o país. E atópaste con moita xente que che fala da necesidade de realizar algunha actividade ilegal (estraperlo, por exemplo) para chegar a fin de mes. Moita xente combina tamén algunha actividade privada (legal) cun emprego para o Estado. Como mudou a situación, nese sentido, con respecto ao que ti mesmo viras 30 anos antes?Hai dúas cousas que non cambiaron: a represión e a pobreza. Semella que a xente non está contenta porque como di Yuli -o protagonista da última película de Icíar Bollaín-: "Cada vez que voy a Cuba, siento que soy el único cubano que quiere seguir en la isla". Falando cos cubanos comprendes que hai dous países diferentes: segundo entrevistes a xente na rúa ou nas súas casas, fóra de olladas receosas. Eu non vin a alegría cubana por ningures."Eu non vin a alegría cubana por ningures"Tamén preguntas moito pola sanidade e a educación. Da sanidade, fálanche moito da falta de recursos e tamén de persoal. Da educación, fálanche bastante da propaganda do Estado. Entendo que o teu obxectivo con este libro é máis que o lector/a tire as súas propias conclusións mais, cal foi a túa conclusión sobre a situación de sanidade e educación, tendo en conta que se trata do contexto latinoamericano? A revolución conseguiu que o ensino e a sanidade chegue a todas as capas da sociedade. Iso é una realidade doada de apreciar. Pero, como me dixo un dirixente comunista dunha cidade importante, é un ensino afogante porque sempre están coas mesmas cousas, acotío e todos os anos. No tocante a sanidade, é básica pero espallada a todos os niveis. Se falas cos médicos, as súas apreciacións son negativas."A revolución conseguiu que o ensino e a sanidade chegue a todas as capas da sociedade. Iso é una realidade doada de apreciar"Sobre política, en concreto, parece que atopaches bastantes receos a falar. Por un lado, é normal que a xente non queira falar moito de política cunha persoa doutro país que acaba de coñecer. Polo outro, observabas que pouca xente criticaba o goberno. Deuche a impresión de que a xente se sentía moi vixiada? (Aínda que tamén se explica que o poder dos CDR é moi relativo). En Cuba o control sobre a poboación é feroz. Como dixo un coñecido actor español, que pasou seis meses na illa, dúas palabras definen o país: "silencio e represión". O medo fai que só en espazos moi pechados, un mestre ou un médico se atrevan a realizar algunha crítica sobre o seu traballo. Estes comentarios só os realizan despois de coñecer cales son as túas intencións e baixo a promesa de ocultar os seus nomes.En canto á manipulación mediática, paréceche que a súa capacidade de enganar a xente é dun grao moito maior ca en democracias como a nosa? Dígoo porque non dá a impresión de que a propaganda do Estado teña impregnado moito a análise que fai a xente da situación do seu país. Certas formas de control sobre a xente non son posibles porque o sistema está completamente corrompido.Hai varios temas que saen nos dous libros, e un deles é a prostitución. Nos dous países ves que hai formas de prostitución semellantes: pasar uns días cun estranxeiro/a a cambio de regalos, de viaxes cos gastos pagos e ás veces de promesas que supoño que case nunca se cumprirán. No caso de Senegal, ademais, habería bastante turismo sexual de "clientela" feminina. Mudou o teu xeito de ver a prostitución despois destas dúas viaxes? Eu renego da prostitución en calquera das súas formas."Eu renego da prostitución en calquera das súas formas"Outro dos temas que saen moito no libro sobre Cuba son as desigualdades sociais, relacionadas co dobre (ou triplo) sistema monetario: as divisas do estranxeiro, as empresas estatais controladas polos militares, o xurdimento dunha sorte de clase media -ou clase traballadora menos pobre- que ten negocios de servizos privados… Cal é a túa propia percepción sobre o tema? As diferenzas sociais son cada vez máis evidentes. E serán maiores mentres os militares controlen os mellores sectores de produción, coma o turismo. A poboación resiste grazas ás remesas que veñen de Estados Unidos. Mal asunto cando vive mellor una "jinetera" ca un mestre (30 dólares) ou un médico (50 dólares)."As diferenzas sociais son cada vez máis evidentes. E serán maiores mentres os militares controlen os mellores sectores de produción, coma o turismo"A "cartilla" de racionamento non ten sentido. Só dura para unha semana é resulta unha forma de dicirlle ao pobo que "o estado garante unha alimentación básica". Mellor sería incrementar os salarios, pero a economía cubana está en bancarrota. Como un país tan rico ten que importar o 80% dos alimentos? Na actualidade, Cuba vive do petróleo venezolano e da exportación de médicos, mestres e policías."Na actualidade, Cuba vive do petróleo venezolano e da exportación de médicos, mestres e policías"Comeza 'O país sen fronteiras' coas reflexións dun branco occidental (ti) que non quere deixarse levar polos "prexuízos" e advertencias dramáticas sobre os perigos que podería entrañar viaxar só polo Senegal. Por que escolliches Senegal? Como lidar co feito de saberte, ao mesmo tempo ca un viaxeiro, unha persoa que goza dos privilexios dun branco occidental nun país empobrecido? Escollín o Senegal porque era a primeira porta da África negra, logo seguirei baixando. Tamén porque me comunico en francés. Despois porque moita xente me intentou meter medo. Despois para saber por que veñen tantos senegaleses a España. E, por último, pola aventura de mergullarme nun territorio descoñecido. Tamén polo engado que teño con África.Tamén me preguntaba ao ler os libros se serían os mesmos se ti foses unha muller (e se escolleses falar principalmente con mulleres, por exemplo). Que pensas ti? Non sei como sería a viaxe dunha muller polo Senegal. Supoño que tería que andar con máis coidado. Pero África tampouco é o que nos ofrecen os telexornais."Non sei como sería a viaxe dunha muller polo Senegal. Supoño que tería que andar con máis coidado. Pero África tampouco é o que nos ofrecen os telexornais"Un dos temas que máis saen é, claro, a inmigración a Europa. Xente nova pobre e sen esperanza no seu país. Travesías moi perigosas, enganos, devolucións ao chegar… E as políticas da UE orientadas ao control das fronteiras: acordos con varios países, entre eles Senegal, para que traten de impedir a emigración a cambio de asistencia tecnolóxica, plans de educación, axudas… Que puideches observar ti dos efectos que teñen estas políticas da UE? A única solución para evitar ese efecto catastrófico das migración é colaborar co desenvolvemento deses pobos, en lugar de esquilmalos. A arribada de emigrantes ás nosa fronteiras non é nada co que se aveciña."A única solución para evitar ese efecto catastrófico das migración é colaborar co desenvolvemento deses pobos, en lugar de esquilmalos"O cambio climático, a deforestación, o terrorismo como ameaza, a crise económica en Europa (que afecta ao turismo), a pesca industrial.. son algúns dos factores que, nas conversas, saen como causas máis recentes da pobreza… Cales foron as túas conclusións ao respecto? A poboación da África Subsahariana está a medrar sen pausa e as secas son cada vez maiores. Son rexións cuns índices de pobreza alarmantes. Atravesar o deserto é a única saída posible para logo saltar os 14 quilómetros do Estreito. Temos que ir alí para axudalos.Algunha vez sae tamén nas conversas o tema do racismo. En Cuba penso que detectaras que era unha cuestión que incomodaba -sendo a realidade que os negros teñen moitas veces salarios máis baixos, casas peores…- Os senegaleses danse conta dos prexuízos racistas dos europeos… Que relación pensas que ten a xente coa memoria do colonialismo? E co seu propio racismo?O racismo é un mal endémico. Propio de mentes atrasadas e sociedades clasistas. Na miña vila hai moitos senegaleses. Falo con eles dese tema. Sofren un racismo inconsciente ("Non crin que eras así". "Es negra, pero es guapa", "Para ser negro, tes un bo traballo"). Un racismo perverso que, ás veces, é o peor."O racismo é un mal endémico. Propio de mentes atrasadas e sociedades clasistas"A relixión, segundo observas, está moi presente na vida cotiá. Aínda que tampouco pode cualificarse a poboación de moi rigorista. Mais, polo que contas do Senegal, parece que a etnia, a cultura… poden marcar máis a identidade da xente ca a relixión. Que pensas diso?Durante a miña viaxe polo Senegal non apreciei que a xente estivese moi contaminada pola relixión. Pero tampouco preguntei moito por ese tema. Vin poucas mesquitas e xente rezando polas rúas.Outro dos temas presentes nos dous libros é a homofobia. Institucionalizada. O Código Penal castiga en Senegal a homosexualidade. En Cuba, houbo tamén etapas de persecución da homosexualidade. Sen revelar demais, que percibiches ti a respecto diso na actualidade nos dous países? En Cuba, dixéronme que Mariela Castro, a filla de Raúl, está moi preocupada pola defensa dos LGTBI. No Senegal a realidade é ben diferente. Ser homosexual é moi perigoso. O país está moi atrasado neste tema. O mesmo presidente volveuse atrás á hora de promulgar una lei a favor da comunidade gai.Os índices de analfabetismo -e absentismo escolar- son moi elevados no Senegal. A sanidade exclúe a maioría social, que non pode nin pagar as menciñas. Unha das reflexións que fas é que Senegal non é Marrocos, por exemplo. Na África negra, os problemas económicos -ou políticos- son maiores. Puideches albiscar algunha saída ou algunha proposta de mellora en canto á situación da educación? Cando un mestre me dixo: Como vai ser o ensino obrigatorio?, semella que a mentalidade é moi diferente á europea. Precisan moitos anos para saír dese pozo. Nese tema debemos implicarnos nós. Os pasos que se están a dar son moi lentos.Algunha vez vícheste nalgunha situación incómoda debido a intentos de sacarche cartos, ofrecendo servizos que non pedías, cobrando moito por servizos prestados… Mais ás veces tamén damos por suposto que a xente coa que falamos ten unha especie de obriga de atendernos e responder as nosas preguntas. Cando, en realidade, aínda que tentemos ser educados e respectuosos, somos intrusos… Nunca tiven ningún problema serio. Vendo que vou sen présas, mal vestido, sen aparellos electrónicos e ao meu aire, non te importunan. Non sei se é unha expresión correcta, pero diría que os mozos senegaleses, "están sen malear". Son educados e non están afeitos a ver un turista como fonte onde aproveitarse."Nunca tiven ningún problema serio. Vendo que vou sen présas, mal vestido, sen aparellos electrónicos e ao meu aire, non te importunan"Senegal é un dos países de África con maior presenza de mulleres no Parlamento. Mais ao longo da viaxe penso que fuches observando distintas mostras de desigualdade de xénero: por exemplo, as nenas son enviadas á escola moito menos ca os nenos. Cales dirías que son os principais problemas, nese sentido? Un dos grandes problemas do país son as nais que non dan a luz nos hospitais e, por tanto, moitos nenos quedan sen rexistrar. Tamén hai moitas nenas que quedan grávidas durante o ensino. E moitas non van á escola porque son necesarias para traballar. Nas rexión do sur, as máis pobres, o absentismo escolar feminino é alarmante."Nas rexión do sur, as máis pobres, o absentismo escolar feminino é alarmante"Tamén fuches a Gambia, máis inestable politicamente ca Senegal, e á rexión de Casamanza, que ten unhas particularidades étnicas e culturais (como falantes de crioulo portugués), ademais dun movemento independentista. Que impresións che produciron tanto Gambia como Casamanza? As mesmas que no Senegal. Atraso, pobreza e, naqueles días, una ditadura que levaba vinte anos controlando o país. Pero, unhas semanas despois de atravesar eu Gambia, o ditador perdeu as eleccións e refuxiouse en Guinea Ecuatorial, onde lle deu pousada outro sátrapa africano.Supoño que unha das experiencias máis agardadas por ti nesta viaxe foi coñecer o País Bassari, unha zona presentada aos turistas como unha sorte de esencia do Senegal tradicional. Do relato que fas podemos deducir que non foi fácil … Hai lugares nos que se produce unha especie de folclorización da cultura tradicional para vender viaxes cun sentido "aventureiro", case "explorador", e supoño que alí podería pasar algo diso…Viaxar polo País Bassari converteuse nunha experiencia algo amarga. Os pobos que visitei son coma una reserva india, pero viven con máis dignidade ca outros senegaleses. Teñen mestres e non están contaminados pola televisión nin os políticos de Dakar.Hai moitas referencias históricas, literarias… Medidas, pero están moi presentes nos dous libros e axudan a contextualizar o que contas. Ás veces botei de menos que ademais buscases algúns datos para contrastar o que din as persoas coas que falas… Pero supoño que tampouco é o obxectivo. É así?Como dixo un crítico (Eyré) "gustaríame saber máis do Senegal, pero este libro é unha novela". Cito de memoria, pero desta maneira pódese responder os que precisan máis informaciónO último libro, aínda inédito, é sobre o Brasil: 45 días de viaxe. Que lugares escolliches visitar e por que?Tiven que facer una boa escolla porque o Brasil é un país inmenso. Nun principio deixeime levar polos meus coñecementos sobre os lugares históricos e o berce dalgúns escritores recoñecidos, como Jorge Amado ou Clarice Linspector. Tamén pola figura de Julia da Silva, a nai de Thomas Mann. O único problema son as longas distancias, pero os autobuses son excelentes.Brasil está nun momento difícil: o ascenso ao poder de Bolsonaro, xunto a un contexto de fortes desigualdades sociais, moito analfabetismo… Que aprendiches ti nesta viaxe sobre os motivos que puideron levar ao poder a un personaxe coma Bolsonaro?Segundo me contaron, os motivos do ascenso de Bolsonaro foron os seguintes: a corrupción do PT, as protestas polos gastos do Mundial de Fútbol e as Olimpíadas, o intento de Lula de gobernar dende o cárcere, a falta de carisma do candidato do PT, as desigualdades sociais alarmantes e a hábil campaña electoral da extrema dereita nas redes sociais. Coido que, case sempre, "as eleccións pérdense, non se gañan". Unha mágoa de imprevisibles consecuencias."Coido que, case sempre, "as eleccións pérdense, non se gañan"Nada máis chegar, decátaste de que escolleras unha pensión situada nunha favela. O tema da inseguridade está presente desde o inicio do libro. Aínda que parece preocupar máis aos propios brasileiros ca a ti mesmo. Como foi a túa experiencia ao respecto?A clase media brasileira vive aterrorizada. No Brasil morren cada ano, vítimas das armas de fogo, o que eles chaman "homicidios dolosos", ao redor de 65.000 persoas. O dobre que nos Estados Unidos, pero neste país hai 100 millóns de habitantes máis que no Brasil. Nas cidades os ladróns van directamente contra a xente que leva móbiles e reloxos. Nese sentido eu sabía que non tería problemas."Eu era un brasileiro máis nun territorio inmenso"Ademais, nunca me tomaron por estranxeiro. Nunca. Hai 100 millóns de brasileiros PPI (pretos, pardos e indíxenas) e 100 millóns máis coma nós. Tomei algunha precaución, porque durmín nas portas dalgunha favela, pero nunca pasei por situación estrañas. Por outra parte, a maioría das mortes están relacionados co crime organizado, o narcotráfico e a guerras nas favelas. Asuntos alleos á miña viaxe. Eu era un brasileiro máis nun territorio inmenso.Algo que observas tamén nada máis chegar é a influencia da cultura portuguesa -da antiga metrópole- e a relación que con ela (con esa influencia) teñen os brasileiros. Que supoño que terá os seus conflitos e contradicións. Que conclusións tiraches a respecto diso?Moitas persoas lamentan que non os colonizaran os holandeses. A influencia portuguesa é constante por todos os lugares que visitei. Pero observei sentimentos encontrados contra o colonialismo español e brasileiro en América Latina."Observei sentimentos encontrados contra o colonialismo español e brasileiro en América Latina"En Cuba falabas castelán, no Senegal francés e no Brasil galego, supoño. Seguramente poucos brasileiros saberían do galego -nin teñen por que saber- pero, observaches unha proximidade cultural relevante cos brasileiros? (Refírome a se puido ser maior que cos cubanos, por exemplo).Sobre este tema, pode dicir que botei de menos na miña mochila un mapa da Península Ibérica para mostrarlles que eu non falaba portugués, senón que eles falaban unha variante do meu idioma, o galego."Notei que os brasileiros sentíanse moi agradecidos cando lles falaba nunha lingua tan próxima. Pero cunha soa verba miña decatábanse de que eu non era brasileiro"Non sei cantos mapas fixen no meu caderno para explicarlles onde ficaba o berce da súa lingua. Notei que os brasileiros sentíanse moi agradecidos cando lles falaba nunha lingua tan próxima. Pero cunha soa verba miña decatábanse de que eu non era brasileiro.Algo máis que queiras salientar do libro sobre Brasil ou sobre outros proxectos que teñas?Grazas sinceras polas intelixentes preguntas. E por ler os meus libros con tanto interese e profesionalidade. A próxima viaxe? Seguramente, África. |
NOS_34997 | Grovense de nacemento chegou a Bos Aires con apenas 18 anos. Amigo de Seoane, Cuadrado e Lorenzo Varela, loitou desde diferentes colectivos polos dereitos e dignificación dos emigrantes galegos. Era presidente da Federación de asociacións galegas de Arxentina. | Francisco Lores Mascato, 'Comandante', como o chamaban os máis achegados, presidente da Federación de asociacións galegas en Arxentina e do Museo da emigración galega en Arxentina, faleceu en Bos Aires, a cidade onde pasou a maior parte da súa vida, aos 83 anos de idade. Chegara á capital arxentina desde o seu O Grove natal en 1952, con apenas 18 anos, atraído polas referencias dun amigo que emigrara con anterioridade. A federación que representa as colectividades de emigrantes galegos en Arxentina expresaron o seu pesar pola perda. "Home claro, combativo, que amaba por riba de todo Galiza e Arxentina". Persoas que o coñeceron inciden no seu papel moi importante na dinamización da colectividade galega nestes últimos 20 ou 30 anos. Desde o seu desembarco en Bos Aires, Paco Lores sumouse aos colectivos de emigrantes galegos, desde onde traballou pola defensa dos seus dereitos e a dignificación da emigración galega. Galego de nación e home de esquerdas, foi amigo de Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela e Luís Seoane, entre outros. Impulsou desde a Federación querelas contra o exército arxentino pola desaparición de cidadáns de orixe galega durante a ditadura (1976-83). Lores tivo un forte compromiso político que o levou a militar en diferentes organizacións, como Partido Comunista nos anos sesenta, do que marchou para unha escisión maoísta. Posteriormente pasou militar no nacionalismo. primeiro na UPG e posteriormente no BNG, e actualmente estaba en Anova. |
NOS_56812 | O CTAG o Ceaga e o grupo PSA pretenden mobilizar 1.300 millóns de investimentos con cargo a fondos europeos e xerar 900 postos de traballo na automoción galega. | Vigo acolleu onte a constitución do grupo de traballo sectorial da automoción para captar fondos de reconstrución da Unión Europea, os denominados Next Generation, co obxectivo de mobilizar, a través do proxecto AutoAncora, 1.300 millóns de euros e crear 900 postos de traballo. O centro tecnolóxico do sector (CTAG), o clúster de empresas da automoción da Galiza (Ceaga) e o grupo PSA son os integrantes deste grupo de traballo.Os impulsores do proxecto non cifraron exactamente o investimento ao que optan, posto que fai falta aclarar os detalles, dixeron. En canto ao proxecto, apuntaron que é unha modernización "necesaria" que levarán a cabo ─aínda que non fose seleccionada─ e cuxo desenvolvemento dependerá da "intensidade" dos fondos europeos. "Debemos responder con máis tecnoloxía. Desde CTAG seguimos os desafíos da mobilidade e temos que aproveitar a oportunidade dos fondos europeos para liderar a situación do sector", apuntou o director do centro tecnolóxico, Luís Moreno. O obxectivo é "completar" a aposta estratéxica ao redor da xeración do hidróxeno verde cun laboratorio xestionado por CTAG especializado na aplicación do hidróxeno verde ao transporte, xunto con outras solucións limpas ou ecolóxicas. Pola súa banda, o director de PSA, Ignacio Bueno, sinalou que o seu grupo participou de "forma activa" no desenvolvemento deste proxecto e afirmou que iniciativas como esta "permitirán ancorar os centros de desenvolvemento" e "manter no territorio galego as empresas que están" para "o soporte social e económico da zona". Por último, o presidente de Ceaga, Juan Antonio Lloves, referiuse ás cifras do sector para indicar que son "resultado do pasado", polo que agora é necesario un impulso para que o sector se sosteña no futuro. As actuacións contempladas no proxecto van encamiñadas a aumentar a competitividade das empresas e a promover a súa transformación dixital e ecolóxica; optimizar os fluxos loxísticos; capacitación dos profesionais do sector en habilidades dixitais e tecnolóxicas; desenvolvemento de iniciativas de alto impacto I+D+i relacionadas co vehículo do futuro; o mencionado laboratorio e unha infraestrutura singular para o desenvolvemento e validación de vehículos de nova xeración. |
PRAZA_17355 | OBITUARIO Rodríguez Pardo colaborou en diversas iniciativas culturais e de oposición á ditadura, participou na fundación do antigo PSG e participou na redacción do Estatuto dos Dezaseis | Loito no PSdeG. O histórico militante socialista José Luis Rodríguez Pardo faleceu este martes aos 81 anos entre numerosas mostras de dor do partido no que foi primeiro secretario xeral, pero tamén de numerosas persoas vinculadas ao eido político e cultural do país. Rodríguez Pardo, avogado de profesión, foi un dos principais representantes da póla máis galeguista do PSdeG, ao que chegou procedente do antigo Partido Socialista Galego, en cuxa fundación participara tras participar no Consello da Mocedade. Durante o franquismo participou no impulso de colectivos culturais moi activos na loita contra a ditadura, como a compostelá O Galo ou a coruñesa O Facho e, posteriormente, tamén impulsaría a posta en marcha da asociación ecoloxista Adega. A traxectoria política de Rodríguez Pardo estivo marcada, a finais dos anos 70, pola súa aposta de achegamento do PSG ao daquela emerxente PSOE de Felipe González xunto con militantes como Ceferino Díaz ou o que despois sería presidente da Xunta, Fernando González Laxe. Nesta liña, nos primeiros anos da autonomía Rodríguez Pardo tornou en primeiro secretario xeral da federación galega do PSOE, o PSdeG, e foi tamén un dos representantes deste partido na elaboración do Estatuto dos Dezaseis, o primeiro texto estatutario galego que nunca chegou a ser. Rodríguez Pardo colaborou en diversas iniciativas culturais e de oposición á ditadura, participou na fundación do antigo PSG e participou na redacción do Estatuto dos Dezaseis Tras ser deputado na primeira lexislatura do Congreso, Rodríguez Pardo foi membro do Senado ata 1986. Foi parlamentario na Cámara galega na primeira lexislatura do Goberno de Fraga e despois, presidente do Consello Xeral da Emigración, dependente do Goberno central, ata finais dos anos 90 do século pasado. Unha vez fóra da política activa no eido institucional e partidario Rodríguez Pardo continuou colaborando en diversas iniciativas sociais e culturais, como a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ou o IGADI, e colaborando en medios de comunicación como o desaparecido Xornal de Galicia. A nova do seu falecemento deu lugar a numersosas mostras de condolencia, especialmente no ámbito dos socialistas da Coruña, pero tamén no resto do partido e noutras formacións. "Os e as socialistas sentimos a perda de José Luis Rodríguez Pardo, socialista e galeguista", sinalou o actual líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen lembrou o seu "apoio para o partido" hai apenas unha semana. "Despedímolo recoñecendo o seu compromiso vital", resalta. |
PRAZA_19721 | O PP defenderá no último pleno antes da Semana Santa dúas iniciativas que regresan á polémica a respecto dos vínculos entre política e relixión Palabras perdidas no Pazo do Hórreo | Palabras perdidas no Pazo do Hórreo O vindeiro pleno do Parlamento, o dos días 4 e 5 de abril, é o último antes da Semana Santa. Entre os asuntos da orde do día o PP incluíu dúas proposicións non de lei -unha figura pouco usada polo grupo que sustenta o Goberno, xa que adoita ter a finalidade de instar o propio Executivo a tomar determinadas medidas- con propósitos, a priori, tan pouco controvertidos como razoables. No entanto, o xeito en que anunciaron as iniciativas e o momento de facelo bosquexa un novo capítulo dunha das (pretendidas) controversias máis axitadas polos conservadores nos últimos anos: a presenza da relixión no espazo público e a relación e influencia da Igrexa católica no ámbito político. O texto das iniciativas implicaría, noutro contexto, un trámite máis ben pacífico e ordinario de ambas cuestións. A primeira ten a intención declarada de promover que Xunta e Fegamp "impulsen a creación de cemiterios de carácter supramunicipal" que poidan "atender a demanda de enterramentos conforme aos requisitos das confesións minoritarias". A segunda, instar o Goberno a preparar "un programa de conmemoración" do trixésimo aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo. No entanto, na súa presentación en rolda de prensa o vicevoceiro parlamentario e secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, ofreceu un tráiler do filme parlamentario que vén. A iniciativa sobre a ruta xacobea, di Tellado, preséntana pola "raíz no humanismo cristián, pero tolerante e integradora" que implica a "visión de Europa" do PP. A proposta sobre cemiterios, abondou, ten a súa orixe en que o PPdeG, "ao contrario doutros grupos que fan bandeira do anticlericalismo, respecta profundamente o feito relixioso, non só como unha manifestación cultural senón tamén como a expresión dunha liberdade fundamental, como é a liberdade de culto". O PP defenderá no último pleno antes da Semana Santa dúas iniciativas que regresan á polémica a respecto dos vínculos entre política e relixión Alén de que o "clericalismo" implica defender a influencia da Igrexa na política e no Estado e o "anticlericalismo", o contrario, o feito de que estas iniciativas cheguen xusto antes da Semana Santa e inmediatamente despois de que Podemos cuestionase no Congreso dos Deputados a emisión da Eucaristía dominical en TVE permite anticipar uns debates que buscarán importar e amplificar a devandita controversia. O anunciado veto anunciado polo propio Tellado á secretaria xeral de Podemos -"poderá votar, poderá intervir, pero para nós deixa de ser unha representante do pobo de Galicia", proclamou- pola súa mensaxe en Twitter durante unha manifestación feminista será, previsiblemente, outro dos ingredientes centrais dunha nova sesión plenaria marcada, ao cabo, pola aposta dos popular por tensar xa o ambiente preelectoral cara aos comicios municipais de 2019. O PP reactiva deste xeito unha estratexia especialmente axitada durante o ano 2015, tras os cambios de signo en alcaldías de varias localidades, a comezar pola Coruña e Santiago, que derivaron na decisión de alcaldes e edís de non asistir como cargos públicos a eventos relixiosos, na liña da actitude xa adoptada anos antes en concellos como o de Pontevedra. A belixerancia dos conservadores coa relixión como arma arreboladiza acabara sendo retrucada daquela mesmo por membros da propia Igrexa como o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, en cuxa opinión carece de "importancia" que un alcalde asista ou non ás Eucaristías. As críticas, advertira o crego, "non foron da Igrexa, senón dos partidos políticos, que algo teñen que facer". |
NOS_15686 | O contaxio de dúas persoas que se aloxaron nos últimos días nas instalacións do cámping situado na praia de Louro ofrigou a illar unha vintena de usuarios. Un equipo sanitario continúa facendo probas PCR a outros ocupantes da zona de acampada. | O positivo de dúas persoas que se aloxaron nos últimos días nun cámping de Muros obrigou a illar a varios usuarios das instalacións, de acordo co protocolo sanitario. Fontes sanitarias indicaron que se coñeceron os positivos destas dúas persoas unha vez abandonaran xa o cámping localizado na zona da praia de Louro. Así, foi preciso localizar os clientes que mantiveran contacto cos usuarios diagnosticados de Covid-19 para poñelos en corentena e determinar se están contaxiados ou non mediante unha proba PCR. Os labores de rastrexo estendéronse dentro e fóra das instalacións de veraneo, onde identificaron máis dunha vintena de contactos estreitos aos que illaron á espera de coñecer os resultados. Os primeiros tests realizados revelaron que outras tres persoas están contaxiadas, o que eleva a cinco o total de positivos. Ao longo deste domingo, un equipo sanitario encargarase de facer PCR ao resto dos ocupantes do cámping. |
NOS_21115 | As organizacións sociais da Galiza emprenden campañas informativas sobre a nova lexislación que atinxe a unha profesión "desprestixiada e precaria" en que o 98,2% das traballadoras son mulleres. As xa dadas de alta, integraranse plenamente no Réxime Xeral da Seguridade Social o 1 de xullo | As organizacións sociais da Galiza emprenderon nos últimos meses campañas informativas sobre a nova lexislación que atinxe ao réxime das traballadoras do fogar e que entrou en vigor o 1 de xaneiro, cun prazo de adaptación de seis meses. Das máis recentes son as que desenvolveu o Foro Galego de Inmigración e a que a partir desta segunda feira porá en marcha o Observatorio da Mariña pola Igualdade. Do que se trata é de poñer en valor a economía dos coidados e unha profesión "desprestixiada e precaria" onde a maioría das traballadoras --o 98,2%, segundo cifras oficiais-- son mulleres. Até o de agora, as condicións laborais do emprego no fogar recollíanse nun Réxime Especial que se rexía polo R.D 1424/1985, e que eran ben doadas de resumir: o contrato podía ser verbal ou escrito; recoñecíanse unhas vacacións de 30 días ao ano, agás aquelas mulleres que traballaban por horas --a maioría--; tiñan dereito a gozar dos permisos retribuídos que estabelece o Estatuto d@s Traballador@s --matrimonio ou nacemento de fill@s--; e para a finalización do contrato non era preciso máis que avisar con sete días de antelación sempre que a relación laboral superase o ano; e só era obrigatorio para a persoa empregadora asegurar á traballadora a partir das 20 horas semanais de traballo e en caso de baixa laboral non comezaban a cobrar até o día 29. Alén disto, a cotización como empregada do fogar non daba dereito ao cobro por desemprego. O contrato podía ser verbal ou escrito e recoñecíanse unhas vacacións de 30 días ao ano, agás aquelas mulleres que traballaban por horas, a maioría delas Fuxir da condición de 'escravas sociais'Coa lexislación actual, rexida polo R.D 1620/2011, as empregadas dadas de alta pasan a se incorporaren ao Réxime Xeral como un sistema especial, unha responsabilidade que recae sobre a parte empregadora. Esta nova normativa supón unha equiparación de dereitos co resto de persoas que contan cun emprego remunerado, e no seu contrato virán contempladas cuestións que até o de agora ficaban acordadas de maneira verbal, como o número de horas de traballo, o salario ou se existe acordo de pernoctación --traballadoras internas-- e a súa retribución. A nova regulación mellora as condicións das empregadas do fogar, recoñecendo dereitos como unha pensión de invalidez, xubilación, viuvez e orfandade; en caso de accidente de traballo cobro salarial dun 75% da base diaria de cotización do mes anterior á baixa; cobro salarial en caso de baixa por enfermidade; ou vacacións anuais de 30 días. En caso de baixa da actividade laboral, a partir do noveno día a incapacidade temporal corre a cargo da Seguridade Social, as persoas empregadoras pagarán desde o cuarto día até o noveno. Actualmente a Seguridade Social paga a incapacidade temporal das empregadas de fogar a partir do día 25. Para as persoas empregadoras, pola súa parte, durante os anos 2012, 2013 e 2014 aplicarase unha redución do 20% ás cotizacións devengadas pola contratación de persoas que presten servizos no fogar familiar e queden incorporadas a este sistema especial, sempre que a obriga de cotizar comezase a partir do 1 de xaneiro do 2012. A redución do 20% ampliarase cunha bonificación até chegar ao 45% para as familias numerosas. Unha reclamación que vén de velloNo ano 2002 constituíuse en Compostela a Plataforma pola Dignificación do Emprego de Fogar, que en 2004 deu paso á asociación Xiara. Aquel colectivo, de que facían parte organizacións sindicais, sociais e veciñais e en que participaban activamente as propias traballadoras do fogar, recolleu máis de 6 mil sinaturas en apoio á mudanza nas condicións da lei que regulaba este emprego. Estas sinaturas presentáronse aos tres grupos políticos con representación no Parlamento, que acordaron as bases para o cambio lexislativo e social. O emprego do fogar é unha profesión "desprestixiada e precaria" onde 98,2% das traballadoras son mulleres En setembro de 2007 o Ministerio de Traballo anunciou unha reforma legal que remataría coa discriminación do emprego doméstico, recoñecéndolle ao sector as condicións laborais do Estatuto d@s Traballador@s e abrindo un proceso para equiparar os seus dereitos cos do Réxime Xeral da Seguridade Social. O cambio lexislativo, máis unha vez, non chegou a se producir. Pedían a desaparición do Réxime Especial e a integración no Réxime Xeral; a oferta e demanda de emprego a través dos servizos públicos de colocación e o peche das axencias privadas ilegais e con ánimo de lucro; o recoñecemento do traballo que están realizando as persoas estranxeiras en situación administrativa irregular, incluíndo o seu dereito á alta na Seguridade Social; e a equiparación de dereitos laborais co Estatuto das Traballadoras e Traballadores. |
NOS_9092 | Stop Desafiuzamentos convoca a cidadanía esta segunda feira nas portas dos xulgados para esixir que o Tribunal Supremo ratifique a súa decisión de que sexan os bancos quen asuman o imposto de actos xurídicos documentados das hipotecas e a declaración de "abusiva" da claúsula que impula ao prestatario esa obriga. | "Vergoña suprema", indican desde a plataforma, "dá a impresión de que o poder financeiro se erixise sen complexos como absoluto e con capacidade para someter o sistema democrático e os poderes erixidos pola cidadanía". Se, de entrada, a Sala Terceira do alto tribunal decidira que as entidades bancarias se fixesen cargo da cláusula, axiña recuou, nun insólito posicionamento e co argumento da "enorme repercusión económica e social" asinado polo presidente da sala Luis María Díaz-Picazo. O Supremo decidirá esta segunda feira, 5 de novembro, se confirma a primeira decisión ou a suspensión de Díaz-Picazo. "Os colectivos Stop Desafiuzamentos esiximos que non faga outra cousa ca confirmar as sentencias xa coñecidas, a obriga dos prestamistas a pagar o importo de actos xurídicos documentados e a declaración de abusiva da cláusula que impón ao prestatario esa obriga", din. Lei de Crédito Hipotecario As plataformas de afectados polas hipotecas e Stop Desafiuzamentos engaden máis reivindicacións e lembran que o Congreso dos Deputados está a tramitar a Lei de Crédito Hipotecario, elaborado polo ex ministro e banqueiro Luis de Guindos, "un novo intento de moderación e branquo de cláusulas abusivas". "O PSOE non pode ratificar as propostas do PP nesta materia e ten que garantir a defensa dos debedores hipotecaris. Do contrario, poderían reactivarse milleiros de procedementos de execución hipotecarios actualmente suspendidos", conclúen. Stop Desafiuzamentos e a PAH engaden que os cinco puntos básicos das súas reivindicacións seguen totalmente vixentes: dación en pago retroactiva; aluguer alcanzábel e estábel; stop desafiuzamentos; vivenda social e subministracións garantidas. |
PRAZA_7566 | Músculo! leva apenas uns meses en activo. Despois de ser semifinalistas do Proyecto Demo de Radio3, e de ofrecer os seus primeiros concertos por toda Galicia, esta fin de semana telonearon os murcianos Schwarz na súa xira polo noso país. | Músculo! leva apenas uns meses en activo. Despois de ser semifinalistas do Proyecto Demo de Radio3, e de ofrecer os seus primeiros concertos por toda Galicia, esta fin de semana telonearon os murcianos Schwarz na súas actuacións polo noso país: o xoves en Compostela e este sábado en Vigo. Así é como se presentan: "Somos cinco. Somos de Galicia. Somos rítmicos e melódicos. Somos ruidosos e bailóns. Somos guitarreiros e electrónicos. Somos distorsión e bombos machacóns. Somos sintetizadores e baixos pesados. Somos voces agresivas, letras directas e mensajes incómodas". Varios dos seus integrantes formaban a columna vertebral de Noise Project. Sen renunciar ao shoegazing e ao noise que caracterizaban a banda de Valga, Músculo! gaña iso mesmo: músculo, e gañan en ritmo en contundencia. No seu bandcamp pódese escoitar un ep de actro cancións, Buon Giorno, ao que se unirán máis temas nos vindeiros meses. Dicides na vosa presentación que "a pólvora xa está inventada, Músculo só a vai poñer no teu reprodutor". Está todo inventado na música? Dedicámonos só a copiar e reinventar? Non queremos ser pretenciosos e dicir que somos innovadores (aínda que o intentemos...) Queremos facer cousas que non se fagan tan a miúdo por aquí. Cales son as vosas influencias? Caribou, Primal Scream, Holy fuck, flying Lotus, Delorean, Sonic youth........... Non poderíamos poñelos todos Que é Schwarz para vós? É un grupo que escoitamos e seguimos dende fai anos, Fíxonos moitísima ilusión poder tocar con eles. Un referente do "Kraut" no Estado Español. Poderiamos definir Músculo como "ruidismo que se baila"? Empezamos como un grupo máis noise, pero a verdade é que cada vez tendemos máis a limpiar o noso sonido. Non queremos caer no "ruido por que si". De Primal Scream a M83, Grimes ou Crystal Castles. A unión do noise e a electrónica é a música do momento? Non, o que creemos é que a electrónica estase a integrar no resto dos estilos coma un instrumento máis. Estáselle a perder o medo, agora xa non é todo "zapatilla!" Cal vai ser o percorrido de Músculo nos próximos meses? Traballar duro! Que grupos galegos vos gustan? Colectivo Oruga, Mequetrefe, Unicornibot, telephones rouges, Noise Project e algún máis que nos quedará atrás.... Que bandas -de todo o mundo neste caso- estades escoitando ultimamente? Tampouco poderíamos poñerchos todos pero bueno.... Tame Impala, Sun kil Moon, alt-J, Flying Lotus, Holy Fuck, Mark Eitzel, Curtis Mayfield, Alex Chiltol...... Falta estrutura para a música en Galicia: locais de ensaio, salas onde tocar, festivais, espazo nos medios de comunicación...? Si absolutamente. Aquí prima máis a cultura de verbena. Hai moito desprezo pola cultura por parte de estamentos públicos e algúns privados. O que importa son as boas ideas e poder ter espazos onde se poidan distribuír, por iso creemos que Galicia carece dunha rede de festivais e salas (coma músicos que somos non podíamos pensar doutra maneira) hai algunha excepción claro... E o que hai acaban tocando os mesmos. De quen é a culpa non o sabemos. |
NOS_20789 | A polémica organización galegófoba Galicia Bilingüe fai ferver as redes sociais ao comparar en dúas fotomontaxes a bandeira da patria coa esvástica do nazismo. O BNG da Coruña emprazou a entidade a pedir desculpas. | Galicia Bilingüe volve crear polémica ao estabelecer unha equivalencia entre a estreleira e a esvástica nazi a través de imaxes en Twitter. No primeiro dos chíos reproduce unha instantánea da bancada de Riazor cunha bandeira xigante da patria baixo o lema "Unha terra, un pobo, unha bandeira". Distintos tiempos, los mismos fanáticos.Heil Galiza -- Heil Hitler pic.twitter.com/Gg329hXwYM— Galicia Bilingüe (@GaliciaBilingue) 14 maio 2016 Este chío provocou que o BNG da Coruña se dirixira á entidade para lle esixir desculpas, así como peñas deportivistas. Desde o BNG esixímoslle a @GaliciaBilingue unha desculpa pública á afección do Deportivo pola comparación co nazismo pic.twitter.com/xRUFDgQMdv— BNG A Coruña (@BNGACorunha) 15 maio 2016 De seguido, Galicia Bilingüe publicou outro chío na mesma liña, coa imaxe dunha bandeira da patria e unha esvástica nazi. Unha terra, un pobo, unha bandeiraEin reich, ein volk, ein führer Distintos tiempos, mismos fanáticos pic.twitter.com/ckTljrTITc— Galicia Bilingüe (@GaliciaBilingue) 14 maio 2016 Non tardaron en chegar as reaccións contrarias á comparación de Galicia Bilingüe, que cualifican esta organización de fascista, miserábel e noxenta. Diante das numerosas reaccións, a organización galegófoba botou máis leña ao lume ao aludir "a los nacionalistas imponelenguas que se pican". |
NOS_17299 | Xa hai tempo que comentara que este estaba a ser un gran ano para o trash metal. Se pensabamos que xa o ano estaba a piques de rematar e que non teríamos mías sorpresas trasheiras, estábamos errados. Faltaba por chegar o novo traballo dos canadianos Annihilator, uns pesos pesados do trash máis clásico polos que parecen non pasar os anos. | Parece que foi onte cando a banda de Jeff Waters editara o seu sorprende álbum de debut, Alice in Hell, pero o certo é que o tempo pasou e a banda acaba de lanzar For The Demented, o disco número 16 da súa carreira. Este novo álbum contén 10 temas que son, senón unha fe de vida da banda, unha proba de que seguen aí e sen pensar no retiro e moito menos na re-invención. Non vou negar que Annihilator é unha banda da que desfruto moito máis en directo que en plástico, obviando os seus dous primeiros traballo, Alice in Hell e Never, Neverland. O principal motivo de isto é, entre outras cousas, o excesivo cambio de vocalistas. Se a memoria non me falla, foron 7 cantantes os que pasaron pola banda até que o propio Waters se fixo cargo das voces, no que pode que non sexa a decisión máis atinada. O excesivo control do proxecto pola, súa parte fai que o resto dos compoñentes non aporten moito e non se sintan identificados co proxecto. Se botamos a vista atrás, vemos que pola banda pasaron, ademais dos vocalistas, 5 guitarristas, 10 baixistas e 13 baterías, o que deixa claro que e quen é a banda. Centrándonos neste For the Demented, o primeiro que chama a atención é como sobrevoa o espírito de Metallica e Megadeth durante todos os temas, como se Waters tentase de facerlle unha homenaxe co seu estilo vocal. Dende o tema de apertura, Twisted Lobotomy, os riffs e a interpretación vocal deixa ver que Waters debeu de estar a escoitar constantemente o Master os Puppets no proceso de composición e gravación do álbum, ou de non ser así, foi posuído polo espírito de Hetfield. Máis isto non significa que perdera o seu propio ser, senón que ao son propio de Annhiliator se lle engadiron estas pinceladas. Non temos que esquecer que a banda fai trash clásico polo que é normal estas referencias, de feito o segundo corte One to Kill continúa por estes vieiros. Estes dous temas son, para min, os mellores do álbum e os que resumen non só a traxectoria da banda, senón o que imos a atopar no disco. Se a memoria non me falla, foron 7 cantantes os que pasaron pola banda até que o propio Waters se fixo cargo das voces, no que pode que non sexa a decisión máis atinada Non todo son altas revolucións, mais tamén hai tempo para unha balada, que neste caso é Pieces of You. Sendo este o tema máis frouxo do álbum, non deixa de ser un corte no ambiente para deixar paso ao seu lado mais metaleiro e menos trasher en The Demon You Know, cuxos riffs nostálxicos lévannos de volta aos 80 e no que a voz de Waters é presa das súas carencias. Probablemente este tema gañaría moito coa voz de Randy Rampage, que por desgraza xa non está na banda. E marcando ese camiño oitenteiro -aínda que desta vez na senda trasher -segue Phantom Asylum, aínda que o seu retrouso tras moitas escoitas pida cantar Million Dollar Baby, coma se o bon de Alice Cooper fixese das súas no subconsciente de Waters, porque esta é outra das patas das influencias deste trabalo, a parte máis roqueira. Malia que o revista de trash¸ hai unha clara influencia do rock dos 70 que se fai xa patente claramente en The Way. O álbum fecha con dúas pezas, cando menos curiosas. O instrumental The Dark parece sacado da banda sonora dunha película de terror dos oitenta. Un tema curto e ambiental que deixa descolocado após a súa escoita e non fica claro porque foi incluído. Not all There, o tema escollido para fechar, é unha mestura de estilos e tempos tales no que se atreven até con pasaxes puramente funkys. Unha proba de que a estas alturas, aínda que segue fiel ao seu estilo, Jeff Waters pode facer o que lle pete. Como case todos os traballos da banda, non é un disco que entre á primeira escoita, agás aos seus máis fieis seguidores, pero que co tempo vai gañando e vanse descubrindo novos matices que lle dan un valor engadido e vaise descubrindo como un dos mellores discos de Annihilator dos últimos anos. Sen dúbida onde amosará todo seu potencial será en directo. ANNIHILATOR NAS REDES Web: https://www.annihilatormetal.com/ Facebook: https://www.facebook.com/annihilatorband/ Twitter: @AnnihilatorBand LISTAXE DE TEMAS 01. Twisted Lobotomy 02. One To Kill 03. For The Demented 04. Pieces of You 05. The Demon You Know 06. Phantom Asylum 07. Altering The Alter 08. The Way 09. Dark 10. Not All There |
QUEPASA_852 | Máis de 125 resultados e 23 clasificacións actualizadas en www.futboldacosta.com. | Tiña a xornada o ollo posto na zona baixa da Liga da Costa pero remata o domingo, despois dun novo e espectacular carrusel seguido por máis de 5.000 persoas, ollando á parte alta. O Mazaricos caía no San Paio de Refoxos, ante un máis que necesitado UC Cee, e o Corme aproveitaba o tropezo remontando na segunda parte ante un Lira que non podía aguantar con 10. A falta de 5 xornadas son só 3 puntos os que separan a ambos conxuntos.Pero a xornada fervía con dous derbis da parte baixa. Por Xaviña, Buño e Malpica asinaban unhas táboas que lles serven máis aos visitantes, pero que non lle desmerecen aos branquiazuis. No Agra da Filgueira, o Monte Louro sufría unha derrota ante o Muros que pode valer medio descenso, pois se mete en descenso directo mentres o cadro celeste se coloca con 30 puntos empatado co Malpica. O Zas nadaba e nadaba pero caía afogado na beira, e co Lira aínda fica moi implicado na loita. Pechada a promoción Cunha xornada para o remate da liga regular, o Camariñas completa o cadro de promoción. A derrota do sábado do Castrelo e o seu empate no derbi co Camelle, ratifícao como o 6º, e se enfrontará ao Castriz na fase de ascenso. Porteño e Outes protagonizarán a outra semifinal. Boa xornada en Preferente e regular na 1ª O Xallas conseguía unha vitoria tan contudente como vital, e ante todo un Viveiro, 2º. 3 puntos que o meten na 14ª posición con 36 puntos, aínda pelexando por alcanzar ao Montañeros, con 38, que ocupa a 12ª. Ademais o Sofán sumaba un puntiño máis na súa seria temporada. En 1ª, o Fisterra segue como un martelo pilón, pero o Sigüeiro fai o propio e non cede. Dous puntos seguen mantendo os composteláns sobre os verdes. O Baio tamén vencía e se mantén ben arriba, pero caían Dumbría, Soneira e Esteirana, este ante un rival directo por evitar o descenso complicándose así a vida de xeito importantísimo. O Zas deu un paso no Veteranos O Zas vencía ao San Román no duelo entre os dous de cabeza. A vitoria consegue meter 3 puntos de vantaxe e o goleaveraxe, cando ademais o Soneira non aproveitou a ocasión para meterse na fase galega ao non pasar do empate en Ponteceso. Máis información Máis de 125 resultados e 23 clasificacións actualizadas en www.futboldacosta.com. |
PRAZA_6737 | O presuposto da Xunta increméntase en 45 millóns con respeto ao do actual exercicio e sitúase en 8.436 millóns. As contas danlle ulo a infraestruturas que levaban tempo paradas, como a autovía da Costa da Morte. | O orzamento da Xunta increméntase en 45 millóns con respecto ás contas do actual exercicio. Así, o presuposto da Administración autonómica para o 2015 sitúase nos 8.436 millóns de euros, tan só un 0,5% máis, tal e como comunicou este venres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. É "a primeira vez" que o gasto da autonomía medra, aínda que sexa un pouco, desde 2009, malia que o xefe do Executivo insiste no "camiño da solvencia" e en cumprir co déficit. O orzamento da Xunta increméntase en 45 millóns, un 0,5% máis con respecto ao de 2014 Segundo a explicación do presidente e da conselleira de Facenda, o orzamento permite que a comunidade rexistre un crecemento do 2% o vindeiro ano, fronte ao 0,9% co que se prevé pechar este ano. Ademais, a Xunta cre que estas contas permitirán situar a taxa de desemprego no 20,1%. "Galicia diríxese cara á recuperación económica", dixo Feijóo, que asegura que o país o fai "coa certeza de que non se repetirán os comportamentos que nos levaron á crise". O Goberno impulsa infraestruturas claves que levaban paradas tempo en pleno ano electoral O proxecto orzamentario foi aprobado e presentado este venres polo Goberno galego. Son unhas contas para un ano electoral e iso nótase no pulo que a Xunta lle dá a infraestruturas claves que levaban paradas tempo, como ocorre coa plataforma loxística de Salvaterra do Miño ou da autovía da Costa da Morte, que acumula anos de atraso. A posibilidade deste pequeno incremento nos investimentos da Administración atribúeo Feijóo ao aforro duns 15 millóns de euros no pagamento da débeda pública. A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, explicou un escenario orzamentario no que os ingresos correntes crecen un 4%, polo incremento dos ingresos que chegan do sistema de financiamento, que supón case o 80% do total. Así, destacou os 121 millóns dispoñibles "a maiores" polo aprazamento a vinte anos da devolución das liquidacións negativas. Os orzamentos recollen unha suba dos ingresos de capital do 6,3% que, segundo a Xunta, débense a que a comunidade autónoma empeza a incluír nos orzamentos o "impacto" dos fondos europeos do marco 2014-2020 e que "xa se empezarán a implementar nos presupostos do vindeiro ano". En canto aos gastos, o orzamento inicia "unha senda crecente", cun aumento de case 45 millóns, polo que os investimenos reais soben 32,2 millóns, un 4,8%. Feijóo e Muñoz quixeron destacar tamén a consolidación fiscal, polo que presumiron de "seguir na senda da redución do déficit", un "esforzo" que cifraron en 160 millóns de euros para lograr que a comunidade autónoma non pase do límite do 1% de 2014 ao 0,7% marcado para 2015. A Administración crea o canon mineiro que prometera xa en 2013 e 2014 Ademais, a Xunta presume tamén de manter o esforzo no gasto social, xa que educación, benestar e sanidade absorberá oito de cada dez euros do orzamento. Non é tanto así, polo menos se temos en conta as alusións que Feijóo fixera ao gasto social noutras ocasións. Hai menos dun mes, o presidente do Goberno galego teimaba en que o seu orzamento era o máis social da historia. Cada ano, a Secretaría de Estado de Administracións Públicas recompila os datos dos orzamentos autonómicos para poder presentar e analizar de xeito homoxéneo os de todas as autonomías. Unha ollada a esa análise permite concluír que a afirmación presidencial non se corresponde coa realidade. Tendo en conta as cantidades que, segundo Facenda, a Xunta destinou cada ano a política social e restando das mesmas o orzamento cultural -o Goberno central adoita contabilizalo neste apartado- o resultado é que, tomando como referencia a última década, o ano con maior porcentaxe para partidas sociais foi o 2011, no que se acadou un 70,24%. Segundo o Ministerio neste 2014 o dato quedou no 60,59%, cunha redución de cinco puntos a respecto do ano 2013. Á marxe disto, o Goberno destacou tamén a creación do canon da minería, que grava o almacenamento de materiais en superficie cun tipo de entre 1 e o 1,5% segundo os ingresos totais de cada explotación, aínda que quedarán exentas as firmas que extraen lousa e granito. Este canon fora anunciado e prometido por Feijóo nos debates do Estado da Autonomía de 2013 e 2014, pero non se aplicará ata o vindeiro exercicio. Ademais, a Xunta tamén eximirá os transportistas do pago do céntimo sanitario. |
NOS_33496 | Sorprende a insual actividade da Xunta de Galiza nos últimos días. Só na última semana, o Goberno galego puxo en marcha –ou deu luz verde- até 13 actuacións de marcado carácter electoralista, pois moitas delas agardadas desde había meses. | Desde a pasada segunda feira -29 de agosto- a Xunta de Galiza anunciou até 13 actuacións, a meirande parte delas agardadas e demandas desde había meses polos colectivos afectados. Así, a escasos días do comezo da campaña electoral, o PP trata de sacarlle partido ao Diario Oficial de Galiza (DOG) e reforzar a súa maquinaria electoral. Estas son as medidas máis salientábeis da última semana. Aumento da captura de sardiña Entre as medidas anunciadas polo Goberno galego na última semana destaca a da Consellaría do Mar en relación ao aumento dos topes de capturas de sardiña para o xeito. Unha medida que entra en vigor esta segunda feira e que suporá que durante o mes de setembro cada tripulante poida pescar até 60 quilos. O incremento da captura da sardiña era unha das principais reivindicacións do sector do cerco, que ve nesta actuación unha clara medida electoralista. Convenio con "Long Hope" Mar autorizou esta semana a sinatura dun convenio de colaboración coa Asociación Long Hope para financiar os gastos dos colectivo na defensa do recoñecemento da pensión de xubilación por traballar na frota de Noruega. A Xunta asegura que con esta subvención será posíbel sufragar o custo dos procesos xudiciais, a redacción de informes, gastos derivados do trámite administrativo, viaxes... O importe total é de 70.000 euros. O colectivo Long Hope leva anos manifestándose nas rúas do país e reclamando a atención do Goberno español e do Goberno galego para resolver a súa problemática. Após anos de loita social e a escasos días do comezo da campaña electoral, a Xunta fai públicas estas axudas. Obra de dragado do porto de Vilaxoán Tamén a Consellaría do Mar, un dos departamentos que presentan unha maior actividade conforme se achega o 25 de setembro, anunciou que contratará nos próximos días a obra de dragado do porto de Vilaxoán cun orzamento de 20.000 euros. Axudas á pesca Aliás, o DOG publicou a orde para a concesión de axudas a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sustentábel das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020. Máis unha medida impulsada por Mar. Medidas urxentes para os danos dos incendios O decreto de medidas urxentes para a reparación dos danos ocasionados polos incendios forestais, que contempla unha partida de 10 millóns, é outra das actuacións aprobadas pola Xunta de Galiza a escasos días de iniciarse a campaña electoral dos comicios galegos. Obras no centro de saúde de Outeiro de Rei Aliás, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, asinou co alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao (PP), un convenio para acometer obras de reforma e mellora no centro de saúde da localidade. As actuacións contarán cun orzamento superior aos 60.000 euros. Obras en colexios A Xunta tamén vén de licitar as obras de ampliación e remodelación de tres centros educativos de primaria situados en Ames (400.000 euros), Tui (24.050 euros) e O Porriño (54.046 euros). Obras na estrada Tui-A Ramallosa Na mesma semana, a Consellaría de Infraestruturas anunciou que esta terza feira encetará as obras de reforzo do firme da estrada Tui-A Ramallosa (PO-340) ao seu paso por Tui, Gondomar e Nigrán. Senda peonil en Láncara A Consellaría de Infraestruturas e Vivenda tamén deu conta de que destinará 340.000 euros á construción dunha senda peonil en Láncara e á ampliación da ponte sobre o río Neira. Proxecto sectorial da Cidade do Moble O DOG tamén publicou nos últimos días a resolución que fai pública a aprobación definitiva do proxecto sectorial da Cidade do Moble da Estrada, que xa fora aprobado polo Consello da Xunta o 21 de xullo. Saneamento da ría de Pontedeume. Primeira fase. Nos últimos días, a Consellaría de Medio Ambiente anunciou que destinará 4,3 millóns a acometer a primeira fase de mellora do saneamento da ría de Pontedeume, unha demanda histórica da veciñanza. Axudas ao comercio no rural O DOG tamén acolleu nos últimos días a publicación de axudas a once concellos galegos de menos de 20.000 habitantes para que poñan en marcha espazos activos de emprendemento comercial no rural, unha actuación da Consellaría de Economía que conta cun orzamento de case 550.000 euros. Axudas á formación de persoas autónomas A Consellaría de Economía comprometeuse a multiplicar por 18 a partida que destinará á formación de persoas ocupadas para o colectivo de autónomos. A contía, segundo o conselleiro Francisco Conde, ascenderá aos 3 millóns. |
NOS_39849 | Inaugúrase mañá en Compostela, no Pazo de Fonseca, até 20 de febreiro. | A Universidade de Santiago de Compostela inaugura mañá ás 20 horas unha mostra arredor da obra da gravadora Yolanda Carbajales, que se poderá visitar no Salón Nobre do Pazo de Fonseca até 20 de febreiro. Está organizada en colaboración co Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital e o Concello de Ribeira e comisariada por Xoán Pastor Rodriguez e Carlos L. Bernárdez. Baixo o título Á procura de luz a exposición sintetiza a propia técnica empregada pola artista: o gravado á maneira negra, á media tinta ou ao fume, inventada polo alemán Von Siegen no século XVII. Esta estampación reproduce transicións de claroscuros con precisión fotográfica en branco e negro, fronte a outros procedementos calcográficos e directos, como o buril, a punta seca ou o punteado. Intimidade e tensión Na obra da recoñecida gravadora, nada en Venezuela pero viguesa de adopción, "latexa un pouso alegórico ben recoñecíbel", asegura Bernárdez, que admite ao tempo que "pode sorprender" esta referencia "nunha artista contemporánea, mais non se debe entender nun sentido tradicional". Así pois, Carbajales emprega imaxes que lembran "o mundo visual codificado na tradición pictórica", especialmente aquel que ten a ver coa mitoloxía ou a historia da arte, alusións recreadas ao longo de varias pezas que non son simples citas, senón que se transforman "nun mundo extremadamente persoal, que comeza a manifestarse na precisión e limpeza técnica". O resultado son representacións variadas, que se "afastan da negatividade e do convencionalismo que pexa a nosa existencia cotiá", asegura o comisario, colaborador do semanario Sermos Galiza. O gravado sérvelle á artista "para afrontar o feito creativo como un intento de dar solución a un reto (plástico e temático) en que os motivos de intenso contido cultural e vivencial, lonxe de coartaren a liberdade formal, funcionan como liberadores e enriquecedores", entende Bernárdez. Como complemento desa "pulcra tensión" e da reflexión presente en parte da obra, "aparece frecuentemente outra liña temática que se concreta en singulares captacións da intimidade, un aspecto que remite nas súas diversas representacións a unha lectura das constantes presenzas da representación física na nosa cultura", que se fai "explícito territorio" para pensar "a tradición e o presente". Pon como exemplo os gravados "con escenas de forte carga onírica e cun pulo vital que, en particular, o universo feminino transmite". No conceptual, Carbajales ten ademais "unha forte vontade de discurso, de carga semántica". A luz procurada "Da escuridade do misterio á procura da luz, Yolanda Carbajales crea unha tensión para o espectador, que ve saír do negror a obra de arte", engade Partor Rodríguez. Supón así "un exercicio introspectivo que nos interroga" e leva a "examinar a condición humana, logrando unha pulsión emocional que percorre un camiño da nada á creación". Desde o negro á pluralidade de tons, coa técnica do graneado e do rascado de prancha de metal, elabora "un mundo suxestivo que acada o seu cume no branco, na luz absoluta, a luz da beleza, do coñecemento e da paz". Desta maneira, asegura o comisario, a pesar da contemporaneidade das pezas, "o espectador non deixa de presentir algo máis alá, máis profundo, mais enraizado na tradición occidental: unha certa categoría alegórica persoal chea de técnica limpa e clara". E é que Carbajales transita "da memoria artística colectiva á instrospeccións do eu". |
NOS_43479 | Nacionalista e militante antifranquista, logo da morte do ditador regresou do exilio francés para estabelecerse en Galiza, concretamente en Compostela, onde exerceu durante décadas como profesor na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. | O catedrático da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Xosé Luís Quiñoá, faleceu aos 70 anos de idade vítima da enfermidade, sendo soterrado no día de hoxe no cemiterio parroquial de Santa María de Bóveda. Recoñecido militante de esquerdas, nacionalista e antifranquista, o que o levou ao exilio en Francia até a morte do ditador, desenvolveu durante décadas como profesor na universidade compostelá tras completar os seus estudos na prestixiosa Sorbona francesa. Que a terra lle sexa leve. |
NOS_44897 | Foi a resposta dada por Segismundo García, segundo os nacionalistas, ás críticas realizadas polo Bloque á súa xestión. | O BNG de Cervo emitiu un comunicado de prensa o pasado sábado con críticas á xestión de Segismundo García como administrador único de Cerámicas Sargadelos, acusándoo de desprestixiar a empresa e de saltar a lexislación, precarizando as condicións laborais. No comunicado tamén se advertía como a súa xestión podía mesmo pórlle un terríbel final ao proxecto ideado por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo tan importante para a cultura galega. A resposta do actual administrador, Segismundo García, foi segundo os nacionalistas unha "insólita chamada telefónica" ao responsábel local, Diego Fernández, na cal lle ofreceu venderlle a empresa "polo mesmo prezo que lle custou". Desde o BNG consideran que esta chamada demostra que García "está cada vez máis incapacitado para dirixir a empresa respectando a lexislación laboral en vigor", en palabras de Fernández. Nesa chamada telefónica García, afirman desde o BNG, tamén ofreceu unha reunión, que o BNG decidiu rexeitar por considerar a oferta "pouco seria e nada profesional, chegada dun individuo sen escrúpulos que presume de incumprir a lexislación laboral, que insiste en amosar comportamentos antisindicais e que está a liquidar un proxecto empresarial cuns valores culturais e galeguistas que lle daban solvencia e capacidade para competir nun mercado globalizado". Diego Fernández, responsábel local do BNG, criticou Xunta e Concello: "á Xunta, por financiar no pasado con 1 millón de euros a deriva suicida de García, sen condicionar o mantemento do emprego e a viabilidade da empresa, por aceptar sen dúbidas despedimentos despois anulados por sentenzas xudiciais do TSXG e do TS, e mesmo por non asumir responsabilidades agora, ante a actitude de insubmisión lexislativa de García que debera activar a intervención inmediata da autoridade laboral." Diego Fernández acusou o alcalde de Cervo, Alfonso Vilares, "de pretender unha posición neutral ante un señor disposto a liquidar un dos principais sinais de identidade do concello de Cervo, levando a moitas familias do concello e da comarca o sufrimento con sucesivos ERE e despedimentos desde o ano 2010." |
NOS_40267 | O presidente da Xunta de Galiza evitou responder ás preguntas orais formuladas polos grupos da oposición atacando @s voceir@s cos "seus socios de goberno" noutras latitudes. Feijóo atacou o BNG co argumento de que o modelo dos soberanistas galegos é Bildu. Jorquera retrucou que as políticas privatizadoras son o caldo da corrupción en que agora anda mergullado o PP. | Catalunya, Andalucía ou mesmo a Comunidade Autónoma Vasca centraron máis as respostas de Alberto Núñez Feijóo esta mañá no Pleno do parlamento que as cuestións polas que foi inquirido. Porén, o presidente da Xunta tivo tempo até para acusar ao bipartito de "emitir as preferentes" [as participacións preferentes foron reguladas polo Goberno Aznar]. "A vosa patria é Cuba, a nosa Euskadi", berraba Xavier Arzalluz interpelando á extinta Herri Batasuna nun mitin hai máis dunha década. As verbas do presidente da Xunta lembraron as do jeltzale cando se dirixiu ao voceiro do BNG, Francisco Jorquera, nestes termos: "O seu modelo é Bildu, señor Jorquera; o meu é Galiza". Malia a resposta de Núñez Feijóo o certo é que o nacionalista lle preguntaba pola situación económica e social de Galiza após catro anos de mandato do Partido Popular. No entanto, Feijóo obviou respostar ás acusacións de Jorquera, quen salientou que a privatización dos servizos públicos implementada pola dereita española e galega crea "o caldo de cultivo" para "o tráfico de influencias" do que emanan as tramas de corrupción nas que se atopa inmerso un bo número de militantes do PP. Ábrese a veda da corrupción política A corrupción foi argumento central no discurso dos grupos da oposición. Erguíase así un tema vedado durante as anteriores lexislaturas. Porén, as respostas do presidente da Xunta non contentaron a unha oposición que ficaba abraiada perante as aseveracións dun Núñez Feijóo agresivo e belixerante. Recuncou o líder d@s populares até a saciedade na lea de cifras que manexa desde a campaña electoral e teimou en presentar a taxa de desemprego en Galiza como "máis baixa que a media do Estado" e "a cuarta que menos se incrementou" a respecto dos demais territorios do Estado. As perto de 300.000 persoas sen traballo na Galiza non ocuparon moito espazo no discurso presidencial, pois son menos que "no resto de España". Aliás, Alberto Núñez Feijóo lanzou unha proposta ao líder d@s socialistas, Pachi Vázquez emprazándoo a exercer tamén de líder da oposición con "propostas construtivas". O presidente da Xunta teima nos últimos días en levar de novo ao seu rego ao PSdeG e evitar que este siga "as algaradas dos demais", asegurou Feijóo en clara referencia a BNG e AGE. |
NOS_19823 | Non cuestiona a contrarreforma realizada polo ministerio de Emprego. Porén, si senta xurisprudencia e estabelece uns mínimos que se deben cumprir para aplicar este marco legal, xa de por si favorábel á patronal e á destrución de emprego. Entre eses mínimos deberá estar a vontade de negociar cos e coas traballadoras | A sala do social do Tribunal Supremo pronunciouse por primeira vez sobre a (contra)reforma laboral aprobada polo Goberno español. Non cuestiona directamente a normativa, mais anula os 28 despedimentos que unha empresa de Madrid, Talleres López Gallego, efectuou ao amparo dun expediente de regulación de emprego, dando a razón a dous traballadores e a CC OO, que interpuxeron unha demanda de impugnación. A sentenza do Supremo non cuestiona a reforma laboral. Porén, senta xurisprudencia e estabelece uns mínimos que haberá que cumprir cando a patronal queira facer uso dun marco legal favorábel á destrución de emprego, e non á creación, obxectivo co cal foi aprobada, segundo o ministerio de Emprego. Un deses mínimos é a intención de negociar cos e coas obreiras, intención que Talleres López Gallego non tivo en ningún momento, "permitindo extinguir desde o principio e sen información relevante" os 28 contratos. No concreto, a empresa "incumpriu coa obriga de entregar a documentación que esixe o artigo 51.2 do Estatuto dos traballadores", eludindo a entrega dunha memoria económica "minimamente suficiente" que explique as causas do despedimento colectivo. O único que adxuntou foi unha "pequena" descrición cronolóxica da súa actividade no mercado, sinalando que no anexo se recollía a sinalada memoria. Porén, tal anexo non existía. Sinala a sentenza que non houbo "unha real vontade negociadora" por parte da empresa, que non ofertou ningunha condición nova durante o periodo de consultas con representantes d@s traballador@s. |
PRAZA_6727 | Case 1.700 profesionais do Servizo Galego de Saúde acadaron a idade de xubilación entre 2011 e 2013. Nos últimos catro anos a sanidade pública galega reduciu o seu cadro de persoal en 2.000 persoas. A conselleira non ve "oportuno" cubrir máis da metade das xubilacións. | O persoal que traballa e cobre baixas durante o verán, as camas pechadas no Hospital de Lugo no período estival e, agora, o persoal que se xubila. A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde teiman na práctica de ocultarlle ao Parlamento datos básicos a respecto do seu funcionamento e, sobre todo, da súa política de recursos humanos. Desta volta, quen preguntaba era a voceira socialista en materia sanitaria a través dunha iniciativa por escrito. Carmen Acuña reclamaba os "datos referidos ao persoal médico e de enfermaría que cesou na súa actividade por xubilación" entre 2011 e 2013 e cantos destes postos foron "cubertos" ou "amortizados", pero o departamento de Rocío Mosquera, contradicindo o Regulamento parlamentario, contesta cunha brevísima resposta que só permite facer unha aproximación aos datos reais. Nun contexto no que as restricións do Goberno central só permiten cubrir o 10% das xubilacións -no vindeiro ano sobe ata o 50%- Sanidade, no canto de ofrecer datos concretos, remite a Acuña ao Plan de Ordenación de Recursos Humanos do Sergas, aprobado en 2012. Neste documento incluíase nunha "previsión do número de profesionais" que "teñen 65 ou máis anos cumpridos a 31 de decembro de 2011 ou os cumprirán antes do 31 de decembro de 2013" e, "polo tanto, se van xubilar durante este período", evidencia a resposta da Consellería. Entre 2011 e 2013 chegaron á idade de xubilación 1.695 profesionais da sanidade pública galega Atendendo ao incluído naquel documento, entre 2011 e 2013 ían traspasar a idade de xubilación un total de 1.695 profesionais, dos que 586 correspondían ao grupo de persoal licenciado -por exemplo, de medicina ou farmacia-, 664 profesionais procedentes de diplomaturas ou FP e 445 máis das áreas de xestión e servizos. Vista a previsión, cantas delas se xubilaron? "No que se refire ao persoal facultativo o número de xubilacións se axusta á previsión feita", continúa a resposta, mentres que "en canto ao persoal diplomado universitario de enfermaría, o número de profesionais que se teñen xubilado no mesmo período é un pouco superior á cifra estimada, consecuencia da tendencia crecente a solicitar a xubilación anticipada por parte deste colectivo". Nin unha soa cifra. Malia á ausencia de información oficial máis concreta outra ollada ao devandito Plan de Recursos Humanos permite coñecer, cando menos, algún dato máis. Así, esa orde de 2012 detallaba o persoal "en condicións de incorporarse" a traballar no Sergas. Para isto, botaba man dos números da oferta pública de emprego (OPE) 2009-2010 no que atinxe ao persoal que se presentou á mesma e ás prazas dispoñibles en cada unha das categorías. A suma de todos e todas as profesionais indica que case 55.000 persoas optaron daquela a algún posto dos 3.377 que se convocaran. Cabe concluír, polo tanto, que nestes últimos anos houbo persoal dabondo dispoñible para cubrir todas e cada unha das xubilacións. Así e todo, os datos oficiais do Ministerio de Facenda indican que entre 2011 e 2014 Galicia pasou de ter 34.948 profesionais da sanidade a contar con 32.985, case 2.000 menos, unha redución do 5,6% que supera a cifra de persoas xubiladas. Nesta liña, o propio Plan de Recursos Humando admite que "o número de presoas aspirantes admitidas para acceder ao emprego é superior ao número de prazas convocacdas e de profesionais (...) que acadarán a idade de xubilación forzosa", se ben, advirte, o contexto económico, "adverso e incerto", condiciona "inevitablemente a adopción de medidas con impacto económico". As outras explicacións do Sergas Neste punto é no que chegan as explicacións máis recentes ao respecto da política de persoal, ofrecidas hai poucos días pola propia conselleira. Mentres o persoal sanitario advirte de que a "política de non substitucións" está a complicar a atención á cidadanía mesmo nos centros de saúde Rocío Mosquera celebra o incremento das taxas de reposición do 10% ao 50%, pero asegura que non é "oportuno" elevalas máis para así conseguir poder substituír todo o persoal que se xubila. Mosquera non cre "oportuno" que a taxa de reposición suba do 50% Ela, indicou a finais de setembro á prensa, non estaba "de acordo" co límite do 10% e por isto "todos os anos pedíamos que se subise". Agora, asegura, o 50% deixa "francamente satisfeitos" os responsables da Xunta, mentres advirte de que a taxa "nunca estivo no 100%, nin en épocas de bonanza económica". Con todo, na liña da resposta parlamentaria, a conselleira tamén evita concretar con números como repercutirá nos centros sanitarios a nova situación. "Permite unha maior folgura" á hora de cubrir xubilacións e "estudarase en cada categoría", limítase a dicir. |
NOS_28243 | O Goberno sionista ven de anunciar a construción de máis de mil vivendas en Cisxordania e Xerusalén Leste. O territorio palestino ocupado aumentou un 182 por cento nas últimas dúas décadas. | A tres días para o comezo das negociacións de paz, conxeladas desde 2010, Israel anunciou unha nova colonización das terras palestinas. O Goberno sionista prevé construír máis de mil vivendas nos territorios ocupados de Xerusalén Este e Cisxordania. A decisión tería o visto bo de USA, no seu papel de mediador, e como contrapartida a excarceración de 103 presos palestinos en cárceres israelís, segundo o diario israelí 'Maariv'. "A construción ininterrompida de asentamentos pretende illar Xerusalén do resto de Cisjordania" Israel insiste na súa política invasora, o que foi cualificado polas autoridades palestinas como un novo intento de "sabotaxe" do proceso de paz por parte do primeiro ministro Benjamin Netanyahu. Palestina esixía o compromiso israelí de deter a colonización das súas terras para volver á mesa de negociacións. Só conseguiron unha promesa verbal de frear os asentamentos xudeus, promesa que o estado sionista volve incumprir. Segundo un estudo do Instituto de Investigación Aplicada de Xerusalén (ARIJ), o territorio palestino ocupado por Israel aumentou un 182 por cento nas últimas dúas décadas. A meirande parte destas coloniais ilegais, como reiterou en numerosas ocasións a mesma ONU, encóntranse en Xerusalén Leste, onde Israel continúa coa súa limpeza étnica. O territorio anexionado pasou así de 69 quilómetros cadrados en 1990 a 195 en 2012, namentres o número de colonos israelís evelouse de 240.000 a 693.000 (un 189 por cento máis) no mesmo período de tempo. "A construción ininterrompida de asentamentos pretende illar Xerusalén do resto de Cisxordania", asegura o ARIJ. A mesma política que tronzou a Palestina en dous. Israel non cederá nas súas pretensións colonizadoras Os diálogos de paz, paralizados desde 2010, está previsto que comecen esta cuarta feira en Xerusalén, entre a ministra de Xustiza hebrea, Tzipi Livni, e o xefe negociador palestino Saeb Ekerat. As reunións prolongaranse durante nove meses, con encontros semanais en Xerusalén, Ramala, Xericó ou Ammán, e co diplomático estadounidense Martin Indyk como intermediario. Mais a política de colonización sionista non ten visos de rematar, boicoteando novamente as conversacións. O ministro de Vivenda, Uri Ariel, do partido ultra dereitista e representante dos intereses do movemento invasor, Habait Hayehudí, advertiu de que non "permitirán que ninguén lles dicte onde poden ou non construír". |
PRAZA_17050 | ENTREVISTA | Emilio Grandío presentou este martes en Compostela A Balancing Act, unha análise das redes británicas de intelixencia e espionaxe na Península Ibérica durante o conflito, que buscaban evitar a incorporación total do réxime franquista ás potencias do eixe. En agosto de 1943 Galicia acolleu unha xuntanza clave entre Franco e o embaixador Samuel Hoare | En agosto de 1943 o Pazo de Meirás acolleu unha xuntanza entre Francisco Franco e o embaixador británico en España, Samuel Hoare. Nun momento en que a Segunda Guerra Mundial comezaba a cambiar definitivamente de rumbo, co inicio da derrota nazi na fronte oriental e o desembarco aliado en Sicilia, Hoare esixiulle a Franco que España deixase de prestarlle a Alemaña o apoio que ata ese momento lle dera (dende o uso de portos ao comercio de volframio). No aire flotaba a ameaza dun desembarco aliado na propia Península, posiblemente a través de Galicia. Foi un dos momentos culminantes dun amplo xogo de tirapuxas, presións dun e doutro bando, redes de intelixencia cruzadas e un gran número de espías e axentes dobres que traballaban en España e Portugal e polos que circulaba información nun e noutro sentido. O historiador Emilio Grandío presentou este martes en Compostela A Balancing Act. British Intelligence in Spain during the Second World War, unha obra que analiza as redes británicas de intelixencia e espionaxe existentes na Península Ibérica durante o conflito, que buscaban principalmente evitar a incorporación total do réxime franquista ás potencias do eixe. A obra presentouse conxuntamente co volume colectivo War Veterans and the World after 1945, coordinado por Ángel Alcalde e Xosé Manuel Núñez Seixas, no que o propio Núñez Seixas inclúe un traballo sobre os veteranos da División Azul. "A implicación do Franquismo en apoio dos nazis foi moi importante, cando menos ata finais do ano 43 e comezos do 44", explica Grandío. A posición estratéxica da Península, o uso dos portos ou o volframio, as claves "A implicación do Franquismo en apoio dos nazis foi moi importante, cando menos ata finais do ano 43 e comezos do 44. Franco adoptou oficialmente unha posición de non-belixerancia, que era un tanto insólita: os países ou estaban en guerra ou eran neutrais, pero España mantíñase aparentemente nunha posición ambigua", explica Grandío. O obxectivo do Reino Unido era que España "non se volcase totalmente no seu apoio a Hitler", aínda que nesta cuestión hai que referirse conxuntamente a España e Portugal e á importancia estratéxica da Península na Segunda Guerra Mundial, especialmente no referido ao control do estreito de Gibraltar e da navegación polo Océano Atlántico. "Tamén era importante o uso dos portos españois polos barcos, avións e submarinos alemáns. E igualmente o comercio co volframio, especialmente en Galicia", sinala. Esa ambigüidade que aparentemente amosaba España tamén existía na posición británica, explica Grandío. "Hai que ter en conta que nun inicio o Reino Unido mantivo unha posición un tanto ambigua ante o nazismo, cando menos ata a chegada de Churchill ao poder e a ocupación de Francia, momento en que Gran Bretaña queda soa. Daquela tivo que activar a súa rede de intelixencia, para que Franco non entrase na guerra a favor do eixe". Grandío subliña tamén que as relacións entre o Reino Unido e o franquismo non eran necesariamente malas e que mesmo se iniciaran antes da Guerra Civil: "Hai que ter en conta que, previamente, o Reino Unido non vía con bos ollos a República española, sobre todo trala vitoria da Fronte Popular, porque consideraban que era unha situación moi inestable. Os servizos secretos británicos mesmo xogan un papel no traslado de Franco de Canarias a Marrocos. Tamén foi importante a súa actuación promovendo e acelerando o pacto de non intervención de Gran Bretaña, Francia, Alemaña e Italia, que prexudicou moito á República na guerra. Isto é importante para entender as relacións que nestes anos manteñen o franquismo e a rede británica de intelixencia". Unha rede pola que flúe a información reservada "A rede nace dende a nada, practicamente, aproveitando o que xa tiñan: funcionarios británicos, empresarios, familiares, servizos consulares..." "A rede nace dende a nada, practicamente, aproveitando o que xa tiñan: funcionarios británicos, empresarios, familiares, servizos consulares...", explica Grandío, nun proceso "semellante ao doutros países que son controlados polos nazis pero non directamente ocupados". "En todos eles os británicos desenvolveron unha rede de intelixencia co obxectivo de reverter o rumbo da guerra", di. Con todo, continuando con ese xogo de ambigüidades e de presións controladas, esta rede de espionaxe era coñecida (grazas ás informacións facilitadas por Alemaña) e mesmo aceptada polo Franquismo, coa condición de que non traspasase unha liña vermella: podían actuar en España, pero non traballar para derrubar o réxime. O réxime franquista mesmo chegou a utilizar as propias redes británicas para negociar co Reino Unido, para enviarlle as mensaxes que consideraba que podían xogar no seu favor. "En España moitos eran dobre x, axentes dobres, que formaban unha rede e a través dos cales fluía a información" Neste senso, unha figura clave son os axentes-dobres, espías que trasladaban información nun e noutro sentido. "Isto non debemos entendelo coa visión que nos dá a literatura ou o cine: eses espías británicos, enfrontados aos espías alemáns..." -explica Grandío- "senón que máis ben debemos considerar un sistema complexo no que a información era algo que circulaba e que estas persoas soltaban nunha ou noutra dirección en momentos determinados, ao mellor postor. En España moitos eran dobre x, axentes dobres, que formaban unha rede e a través dos cales fluía a información". "Ademais, tanto os servizos de intelixencia franquistas coma os británicos xogaban á ambigüidade", explica. A relación coas guerrillas republicanas "A Federación de Guerrillas León-Galicia débese en gran parte á instrución facilitada por persoas enviadas dende Gran Bretaña" Grandío destaca a relación que os servizos de intelixencia británicos tiveron coas guerrillas de resistencia ao franquismo. "É certo que os británicos son moi remisos á participación da esquerda nesta rede de resistencia. Pero hoxe sábese que soldados británicos entraron en contacto con guerrillas en León e Galicia, o mesmo que noutros países de Europa. A Federación de Guerrillas León-Galicia débese en gran parte á instrución facilitada por persoas enviadas dende Gran Bretaña, co obxectivo de molestar ao franquismo". Mesmo funcionan campos de adestramento en Escocia e a rede británica axudou a formar tamén sistemas de sabotaxe, "pero mantendo unha certa ambigüidade ante o réxime, non tanto co obxectivo de derrubar o franquismo, pero si para presionalo e só activalo de verdade se España se decantaba abertamente por Alemaña", engade. A xuntanza Franco-Hoare en Meirás "Samuel Hoare deixou escrito que Francisco Franco fora o peor dirixente político co que tivo que tratar, porque nunca era directo, sempre era ambiguo" Todos estes procesos teñen o seu momento clave a mediados de 1943, un momento no que a presión británica sobre o franquismo se fai máis forte. "No verán de 1943 a guerra comeza a decantarse en favor dos aliados, sobre todo co desembarco no sur de Italia, de xeito que o Mediterráneo pasa a estar controlado. A nivel interno Franco pasa seguramente o peor momento. 50 procuradores de Cortes asinaron unha carta, entre eles o Duque de Alba, pedíndolle a Franco que abandone o poder e permita a restauración monárquica na figura de Juan de Borbón; un grupo importante de xenerais tamén lle enviaron unha carta pedíndolle o mesmo; ademais, a situación económica de España era insostible, son os anos da fame", explica Grandío. "Neste difícil contexto para Franco, Samuel Hoare pídelle unha reunión de urxencia. Como é agosto, Franco está en Meirás e dille ao embaixador británico que o vaia a ver alí. Hoare aterra en Guitiriz, nun aeródromo case improvisado, pasa a noite alí e pola mañá desprázase ata o Pazo", conta. "Como curiosidade, a chegada de Hoare a Guitiriz coincide cunhas grandes manobras militares que Franco ordenara iniciar na zona, como unha mostra de forza. Un exemplo máis deste xogo que mantiñan uns e outros". Na xuntanza Hoare esíxelle a Franco o cumprimento de tres o catro puntos: o abandono da División Azul, que os portos españois deixen de acoller barcos alemáns e a paralización do comercio de volframio. E dálle un ultimatum, no que tamén xogaba un papel Estados Unidos, que presionaba para que se lle aplicasen a España sancións internacionais. Nesta esixencia pairaba a ameaza dun posible desembarco aliado na Península, posiblemente a través de Galicia, un temor que levara a Franco a instalar bunkeres nas costas e a manter continuas levas de soldados no norte de España. A resposta de Franco foi ambigua, algo como 'xa veremos que facemos' e Samuel Hoare marchou a Londres, quedando alí varios meses, sen data de volta. "En realidade isto xa estaba previsto, pero el tamén xogaba con esta ausencia, mentres aumentaban os rumores dun desembarco aerotransportado aliado a través de Galicia. De feito, mesmo a espionaxe alemá difundiu o rumor de que o desembarco será en outubro, coincidindo co regreso de Hoare a España", conta Grandío. "Franco vai atendendo as demandas británicas, pouco a pouco, nun proceso que dura varios meses, ata mediados do ano 1944" Hoare volveu efectivamente a España en outubro e non houbo desembarco. A presión xurdiu efecto e Franco foi atendendo as demandas británicas, pero pouco a pouco, nun proceso que durou varios meses, ata mediados do ano 1944. "Samuel Hoare deixou escrito que Francisco Franco fora o peor dirixente político co que tivo que tratar, porque nunca era directo, sempre era ambiguo e parecía que gardaba algunha cousa, non sabía a que aterse" explica. Despois da guerra "Unha vez que remata a guerra, a imaxe que existe no Reino Unido sobre a oposición republicana, produto dos informes das súas redes de intelixencia, é que non hai unha alternativa eficaz a Franco. E isto non é diferente no Goberno de Atlee" Unha vez que remata a guerra, a imaxe que existe no Reino Unido sobre a oposición republicana, produto dos informes das súas redes de intelixencia, é que non hai unha alternativa eficaz e sólida a Franco. "E isto non é diferente no Goberno de Atlee" -explica Grandío- "Hai cartas que amosan que mesmo grandes sectores do laborismo non están a favor do retorno da democracia a España". Entre 1945 e 1948, con todo, Gran Bretaña si valora a posibilidade dunha restauración monárquica na figura de Juan de Borbón, "unha restauración da Monarquía que fora sempre a súa aposta". "Os sectores republicanos foron perdendo forza, en boa medida por non contar co apoio británico e se non tiñan o apoio británico tampouco tiñano o norteamericano", di. Porén, en 1948 tamén desaparecen as posibilidades desa hipotética restauración monárquica. "Os acordos do Azor entre Franco e Juan de Borbón para que Juan Carlos fose educado en España polo franquismo afastaron os sectores republicanos moderados, como Salvador de Madariaga, que se consideran enganados", explica "Nace un novo concepto de servizo de información, moito máis estable e profesional, que é o que vai funcionar durante a Guerra Fría" Outro aspecto importante é que a experiencia acumulada polos servizos de espionaxe, en España e noutros países axudou a configurar as redes de intelixencia que actuarán nas décadas seguintes, no contexto da Guerra Fría. "Nos últimos meses da guerra, xa dende finais do ano 1944, no que xa se albisca a derrota nazi, as antigas redes de intelixencia británicas e norteamericanas comezaron a transformarse, convértense noutra cousa, mesmo aproveitando persoas e estruturas da rede alemá de espionaxe", conta Grandío. "Nace un novo concepto de servizo de información, moito máis estable e profesional, básico no funcionamento dos Estados, que é o que vai funcionar durante a Guerra Fría", di. "Non teñen nada que ver os servizos de espionaxe posteriores á Segunda Guerra Mundial cos anteriores á guerra", remata. |
PRAZA_7713 | A pesar dun contexto de austeridade no ámbito rural, e coa diminución de fondos na partida de desenvolvemento rural, na que se encadra o proxecto das cámaras, do 33,7%, ata 1.007,76 millóns menos, un proxecto de instalación de cámaras nos montes segue adiante cun orzamento de 1.548.750 € | Nesta crise moral, ambiental, social e económica, na que estamos envolvidos, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e do Medio reducirá o seu orzamento no ano 2013 nun 25,4%, implícando a perda de 1.680,15 millóns de € con respecto a 2012, sendo a partida que maior recorte sufriu polo goberno central. O paro no mundo rural pasou do 8,3% en 2007 ao 26% este ano, segundo datos da Organización Internacional do Traballo (OIT). O paro no mundo rural pasou do 8,3% en 2007 ao 26% este ano, segundo datos da Organización Internacional do Traballo (OIT) Sanabria, ao igual que o resto do medio rural, está a sufrir dende hai décadas os ataques das políticas neoliberais de axuste, europeas e estatais, que se traducen en recortes en educación, transporte, sanidade, xustiza, saneamento... A pesar deste contexto de austeridade no ámbito rural, e coa diminución de fondos na partida de desenvolvemento rural, na que se encadra o proxecto das cámaras, do 33,7%, ata 1.007,76 millóns menos, un proxecto de instalación de cámaras nos montes segue adiante cun orzamento de 1.548.750 €. O obxectivo orixinal do proxecto é a Vixilancia e Detección de incendios forestais, mediante unha rede de vixilancia que vai contar, entre outros medios, con 11 torres dotadas con tecnoloxía de última xeración coa que se acadará información en tempo real. Cada torre está dotada de tecnoloxía térmica, mediante a cal é posible a detección de focos de incendios nun radio de 8 km. Cando os sensores detectan un cambio importante de temperatura, trasmitese unha sinal de alarma ao Centro Provincial de Mando, que estará situado no Servizo Territorial do Medio de Zamora, fóra da bisbarra de Sanabria, o que supón un problema ao non crear postos de traballo na área afectada. É importante mencionar que non houbo información, nin procesos participativos en Sanabria É importante mencionar que non houbo información, nin procesos participativos en Sanabria, tal e como esixía o Convenio de data 25 de Marzo de 2010, subscrito entre o entón Ministerio do Medio, o Medio Rural e Mariño e as Consellarías do Medio e de Agricultura e Gandaría da J.C.Y.L. Isto deu como resultado unha desinformación das persoas da bisbarra respecto ao proxecto que lles levou a organizarse primeiro, para posteriormente recoller suxestións escoitando á cidadanía dos pobos, e solicitar información, para crear propostas de xeito participativo, establecidas nun Plan Alternativo á implantación das cámaras, que tiñan como obxetivo mellorar o benestar na bisbarra. O devandito plan foi difundido polos pobos de forma directa e por diferentes medios de comunicación, así mesmo foi avalado por máis de 40 colectivos da bisbarra. Co custe deste proxecto poderíanse crear 24 postos de traballo que, ao mesmo tempo, axuden a frear a despoboación da bisbarra Esta experiencia de informar e ao mesmo tempo de recoller o sentir dos pobos, permitiu que unha clara maioría dos habitantes de Sanabria se opuxese ao proxecto das cámaras e solicitaron que fose substituído por outro, por canto consideran que co custo deste proxecto se poderían crear 24 postos de traballo que, ao mesmo tempo, axuden a frear a despoboación da bisbarra. Na situación actual Sanabria ten necesidades máis prioritarias que a instalación de tecnoloxías avanzadas para a prevención de incendios, pois vivimos instalados nunha fantasía tecnolóxico-económica que fainos crer que os medios estatais de extinción nos salvarán da queima. Noutra banda, coa colocación destas cámaras nos municipios de Sanabria soamente xa non entra en xogo o dereito á intimidade, senón tamén aqueles outros dous que están garantidos no artigo 18.1 da vixente Constitución Española: o dereito á honra e o dereito á propia imaxe. Nos últimos meses xa apareceron sancións a sistemas de video vixilancia por gravar en determinados ámbitos da vía pública. É necesario un plan participativo contra incendios cun órgano permanente, e recuperar o Plan 42 e os plans silvopastorales nos cales os gandeiros e agricultores limpan o monte durante os meses do outono e inverno Pódese afirmar que este proxecto é alleo á realidade do territorio sanabrés e aos seus habitantes e, polo tanto, é necesario un plan participativo contra incendios cun órgano permanente, e recuperar o Plan 42 e os plans silvopastorales nos cales os gandeiros e agricultores limpan o monte durante os meses do outono e inverno, recuperando así a identidade territorial da poboación sanabresa. A cidadanía organizada de Sanabria tramitou unha entrevista co Director Xeral do Medio Rural do Ministerio do Medio, Medio Rural e Mariño na que se presentou o programa de medidas do Plan Alternativo en substitución das cámaras en 2010, sen ter resposta ata o dia de hoxe. As Administracións implicadas continúan co seu apoio á instalación das cámaras, converténdose este nun caso máis de democracia secuestrada Ante esta pasividade da administración pública, e esgotada a vía diplomática comezan as mobilizacións cunha concentración en Puebla de Sanabria convocada pola Asociación para la Defensa de Sanabria y Buraco, para rexeitar a implantación de sistemas de cámaras nos montes da bisbarra e para solicitar emprego no medio rural, á cual acudiron representantes de varios colectivos da zona, creándose sinerxías positivas entre eles, pois cando se xuntan os ríos faise forte a corrente. A pesar diso, as Administracións implicadas continúan co seu apoio á instalación das cámaras, converténdose este nun caso máis de democracia secuestrada. Paga a pena destacar que quizais nestes días nos que os casos de corrupción salpican as portadas de todos os xornais, fose máis conveniente poñer as cámaras nos despachos dalgún dos nosos representantes políticos. Outra Sanabria non só é posible, é necesaria Outra Sanabria non só é posible, é necesaria. Se mellor ou peor, dependerá da súa poboación, xa que non é momento de preocuparse se non de ocuparse, deixando o pesimismo para tempos mellores, porque as loitas de onte son os dereitos de hoxe, e as loitas de hoxe son os dereitos de mañá. |
NOS_34808 | Un home foi detido por matar, presuntamente, a súa muller en Cabana de Bergantiños. A parella atopábase en trámites de divorcio. Todo apunta a un novo caso de crime machista na Galiza, e xa son tres no que vai de ano. | A Garda Civil detivo na tarde deste domingo un home de 56 anos por, supostamente, asasinar a súa muller, de 50, cunha arma de fogo na parroquia de Canduas (Cabana de Bergantiños). O matrimonio estaba en trámites de separación. Segundo diversas fontes, os dous fillos, de 27 e 33 anos, presenciaron os feitos, que tiveron lugar ao redor das 18 horas, e trataron de reducir o agresor, que está na comisaría. A Delegación do Goberno activou os trámites para esclarecer se se trata dun novo caso de violencia machista. Con este, serían tres as mulleres mortas a mans das súas parellas ou ex parellas no que vai de ano na Galiza. Espérase que o movemento feminista convoque concentracións en repulsa ao asasinato a próxima terza feira, 21 de agosto, nas cidades do país. |
QUEPASA_705 | Vimianzo únese tamén ao proceso humanizador do graffiti | Emotivo e simbólico acto que tivo este mércores 1 de xullo no Castelo de Vimianzo. O descolgamento do estandarte dos Moscoso, que sempre marcaba o inicio da festa do Asalto ao Castelo, serviu para homenaxear ese 25 aniversario que non se puido celebrar polo COVID-19. A torre principal da xoia patrimonial de Vimianzo loce, pois, desde esta mañá co Pendón conmemorativo elaborado por Amigos do Liño, que forma parte das diferentes artesás e artesáns que traballan de martes a domingo no interior do edificio, na Mostra de Artesanía ao Vivo de Vimianzo. Non haberá Asalto, pero si haberá "un pequeno acto que demostra a importancia coa que as vimiancesas e vimianceses tratamos a nosa celebración por excelencia', comentou a alcaldesa, Mónica Rodríguez. Ao longo desta última semana, Miguel Peralta, de Cestola na Cachola, está a elaborar un mural con motivo desta festividade no centro do municipio. Unha gran irmandiña será a protagonista desta peza, na que o Castelo será o elemento vehicular da mesma. Ademais, de 13 a 16 horas e de 19 a 22 horas, haberá unha ofrenda musical irmandiña polas rúas. Ás 20:230 horas será a presentación do mural de Cestola na Cachola, na praza Castelao. Ás 21:00 horas, a intervención teatral a cargo de Vicente Mohedano. Media hora máis tarde, a subida ao Castelo, cun aforo máximo de 300 persoas e xa para finalizar a xornada, a proxección da película 'O que arde', de Óliver Laxe e ás 22:30 horas, cun aforo máximo de 200 persoas. |
PRAZA_10173 | O'Mega asegura que só un dos cinco profesionais habituais no centro de saúde traballou o pasado luns e critica a "falta de previsión" do Sergas | Profesionais médicos, o sindicato O'Mega e o BNG denuncian o "colapso" que sofre o centro de saúde de Arzúa e que viviu unha "escandalosa" situación na mañá do pasado luns. Segundo o Bloque e representantes de O'Mega e facultativos consultados por este diario, dos cinco profesionais (4 médicos de familia e un pediatra) cos que conta o ambulatorio arzuán, tan só un traballou o pasado luns. A ausencia por unha urxencia familiar dun dos dous que estaban dispoñibles para esa xornada provocou que, durante horas, un único profesional tivese que atender todas as citas do centro de saúde. O'Mega asegura que só un dos cinco profesionais habituais no centro de saúde traballou o pasado luns e critica a "falta de previsión" do Sergas Tal e como aclara O'Mega, outro médico do cadro de persoal levaba de baixa desde o mércores anterior e outro solicitara un permiso para ese luns que era coñecido xa pola Xerencia de Xestión Integrada de Santiago. "Ocorre o que pasa habitualmente: que non hai preivisión e acábanse provocando problemas". Ante as demandas do único profesional presente, que advertiu ao Sergas e ao Concello de Arzúa, a área sanitaria logrou enviar un médico de reforzo que, segundo O'Mega, viña de realizar unha xornada de 24 horas. |
NOS_51412 | A autorización por parte da Xunta de Galiza dos parques eólicos Paradela e Serra das Penas pon en risco a inclusión da Ribeira Sacra na listaxe do Patrimonio Mundial da Unesco. Denúnciao a plataforma Stop Eólicos. | Os parques eólicos Paradela e Serra das prexudican a candidatura da Ribeira Sacra a formar parte do clube do Patrimonio Mundial da Unesco. O mesmo acontece co parque eólico do Oribio, que prexudican a inclusión do Courel e da serra homónima á sétima Reserva da Biosfera de Galiza no marco do programa Man and Biosphere, un programa que busca estabelecer bases científicas para cimentar a mellora a longo prazo da mellora das relacións entre as persoas e o medio ambiente. Así o advirte a plataforma Stop Eólicos, que vén de enviar un informe á Unesco para expoñer en detalle a problemática xerada após as autorizacións eólicas por parte da Xunta. "Resulta dun cinismo político incomparábel que Alberto Núñez Feixoo, á fronte do Goberno galego defenda unha e outra vez a base de propaganda que a Ribeira Sacra é a única candidatura a nivel do Estado que optará en 2021 á declaración de Patrimonio da Humanidade mentres ao mesmo tempo permite a Enel Green Power España, filial de Endesa, a instalación de 27 aeroxeradores de gran porte e innumerábeis tendidos eléctricos de media e alta tensión", sinala a plataforma nunha nota de imprensa. Na mesma liña, o colectivo denuncia que os parques eólicos atravesarán o territorio e modificarán "sen remedio unha das paisaxes rurais máis singulares de toda Galiza, o que afecta non só á Ribeira Sacra como comarca, senón tamén ao que supón o Camiño de Santiago e a súa zona de amortecemento". O Valor Universal Excepcional A Unesco ten en conta o concepto de Valor Universal Excepcional (VUE) para determinar que un ben sexa considerado digno do recoñecemento que supón a inscrición na Lista de Patrimonio Mundial debido á súa importancia internacional. Ademais da avaliación dos valores culturais, fanse comprobacións en relación coa integridade e a autenticidade, a protección e a xestión dos territorios. A respecto do parque do Oribio, a plataforma acusa a Xunta de "facer gala dun preocupante descoñecemento" ao autorizar a instalación dos aeroxeradores da empresa Fergo Vento "en plena Rede Natura, dentro da Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) Ancares-Courel (ES1120001)". Ponse en risco, di, especies en perigo de extinción como o oso pardo cantábrico (Ursusarctosarctos) ou a aguia real (Aquila chrysaetos), ademais doutras en situación de vulnerabilidade, "afectando gravísimamente a fermosa e insubstituíbel paisaxe da bisbarra". Stop Eólicos reclama "un novo modelo eólico" e "uns responsábeis políticos para os que a protección do medio ambiente, as paisaxes e o rural galego e as súas xentes sexan a prioridade, non o favorecemento dun maior beneficio para os que máis teñen, como as grandes empresas do oligopolio eléctrico e as súas filiais". |
NOS_160 | Nunha entrevista na SER-Galiza, e á hora de especular sobre a conformación do primeiro goberno de Pedro Sánchez, citou espontaneamente varios ministrábeis -desde Josep Borrell a Carmen Calvo- mais omitiu o nome de Pilar Cancela, a ex presidenta da xestora do PSdeG, próxima a Sánchez e que tamén figura nas apostas para facer parte do novo goberno. | A xuízo de Caballero, a chave está en que Sánchez faga un goberno progresista e non tanto na representación que poda acadar o PSdeG. Inquerido especificamente por Pilar Cancela -quen nas primarias do PSdeG non apostou nel como secretario xeral, senón polo parlamentar Juan Díaz Villoslada-, o líder do partido socialista na Galiza respondeu: "Non debo entrar en nomes, hai moitas quinielas, eu sei como está a cuestión, mais se poño nomes estaría a lle facer un mal favor ao partido", dixo. A seguir admitiu que "Pilar" [por Cancela] é unha boa opción, mais, sinalou, como "moitos outros" que poderían ocupar un ministerio. En todo caso, el propio desbótase. A súa prioridade, como secretario xeral do PSdeG, é estar na Galiza e non facer parte do goberno español. Caballero tracexou un paralelismo entre o período 2004-2005 -anos en que alcanzaron a presidencia do goberno español e galego Zapatero e Touriño, respectivamente- co que irá ocorrer agora -Sánchez chega ao poder en 2018 e as eleccións galegas están axendadas para 2020. Nese sentido, agoirou a segura derrota de Feixóo, quer se vai a Madrid quer se fica na Galiza. |
NOS_28093 | O president da Generalitat, Artur Mas, avanzou que convocará eleccións anticipadas se non existen "plenas garantías" para o referendo do 9N. | Que o 2014 será unha data histórica para Catalunya é practicamente indubidábel. Para alén de se cumprir o Tricentenari da toma de Barcelona polas forzas borbónicas e dunha masiva Diada, o futuro do país fica marcado pola convocatoria dun referendo de autodeterminación para o vindeiro 9 de novembro. Após se aprobar a Lei de consultas --que continúa o seu transcurso lexislativo e que será votada polas Cortes catalás esta sexta feira-- a Generalitat ten previsto convocar a consulta que garanta o dereito de Catalunya a decidir. Porén, as diverxencias no seo de CiU e os titubeos do president, Artur Mas --evidenciados nalgunhas das súas últimas declaracións-- abren un novo escenario que as forzas independentistas da Cámara --ERC e CUP-- rexeitan. ERC: "As garantías democráticas dependen do Govern" Eleccións plebiscitarias Na súa intervención con motivo do debate sobre política xeral que acolle o Parlament, Mas insinuou --ou afirmou veladamente-- que adiantará as eleccións catalás se finalmente o 9 de novembro non se dan "plenas garantías" para desenvolver a consulta en condicións, dixo, "democráticas". Mas referiuse así ao rexeitamento do Tribunal Constucional español á Lei de Consultas que, segundo dixo, impediría convocar no marco da "legalidade" a consulta. Nese contexto, Mas advertiu que podería adiantar as eleccións ao Parlament, embora afirmar que "gostaría de rematar a lexislatura". Para as forzas independentistas da Cámara --ERC e CUP-- este feito non se axustaría ao acordado nen tampouco á expresión popular manifestada na Diada que clamou pola convocatoria do referendo. CUP: "As eleccións anticipadas non son unha boa solución" "As garantías democráticas dependen do Govern", sinalou o secretario xeral de ERC, Lluís Salvadó, en resposta ao president. As declaracións de Salvadó súmanse ás expresadas polo líder de Esquerra, Oriol Junqueras, que animou a "saltar a legalidade española" obedecendo o "mandato que temos do Parlament", dixo. Pola súa banda, o deputado da CUP, David Fernández, considerou "o escenario máis probábel" as eleccións anticipadas insinuadas por Mas. Porén, lembrou que "as condicións democráticas xa están dadas" da man da Lei de consultas que a Cámara aprobará --con toda certeza-- a sexta feira. Neste senso, Fernández coidou que adiantar os comicios "non" é unha "boa solución". Declaración unilateral de independencia Así as cousas, David Fernández subliñou que "aínda que nos pese, o único que está por definir é cando" se desenvolverán esas eleccións que a todas luces se presentarán como plebiscitarias. A ANC reclama unha declaración unilateral de independencia se non houber consulta Mais o anuncio de Artur Mas racha coa folla de rota que marcou a Assemblea Nacional Catalana, a maior entidade --até o momento-- que congrega @s cidadás a favor da consulta o 9 de novembro. As súas demandas foron presentadas na propia Cámara lexislativa da man da súa presidenta, Carme Forcadell, e do presidente da Asociación de Municipios pola Independencia (AMI). Desenvolver o referendo e, se non for posíbel, emitir unha declaración unilateral de independencia. Unha proposta que, semella, o president da Generalitat non estaría a considerar. |
NOS_43575 | Esta fin de semana, o concello acolle a vixésima segunda edición da exaltación gastronómica deste peixe de río | Música de día e de noite, cultura, maxia e actividades para todas as idades no marco natural de Oroso. Isto é un bocado do que lle agarda á visitante da Festa da Troita, que esta fin de semana consolida o evento na súa vixésima segunda edición. "Como cada mes de maio, demostraremos que somos un concello acolledor, con moito que ofrecer desde un punto de vista gastronómico, paisaxístico e lúdico", apunta o rexedor, Manuel Mirás. Os máis de 30.000 visitantes que acostuman encher Oroso nestas datas poderán degustar as diferentes receitas de troita que ofrecerán os 27 locais de restauración que participan na celebración. Declarada Festa de Interese Turístico Galego en 2009, a vila engalanarase durante os días 11, 12 e 13 de maio para se converter na "capital da gastronomía e dos eventos populares en Galicia". O comer e o bailar, todo é empezar O programa deste ano dará inicio na sexta feira 11 de maio, co festival Oroso en Vivo, cando as orquestras París e Ibiza encherán de ritmo a Alameda de Góis a partir das 22.30 horas. Ao día seguinte, sábado 12, a xornada comezará ás 9:00 horas cos tradicionais campionatos de pesca na categoría adulta. Se o tempo acompaña, ás 10:00 horas, as crianzas poderán gozar con varios obradoiros infantís na praza de Isaac Díaz Pardo. En caso de choiva, as actividades neste punto serán trasladadas ao Centro Cultural. Máis tarde, a charanga Os Atrevidos amenizará o mediodía cunha xenerosa ración de música. Ao mesmo tempo, os arredores da praza Isaac Díaz Pardo acollerá a inauguración da exposición 'Son de Campo, Mulleres Rurais e Comercio Local de Oroso'.O campionato de pesca para adultos será retomado a primeira hora da tarde, e durará desde as 16:00 até as 20:00 horas. Paralelamente, e a partir das 18:00 horas, a asociación folclórica Lembranzas do Tambre e a asociación cultural Néboas do Cumio actuarán na praza Isaac Díaz Pardo. Á noitiña, a verbena na Alameda de Góis estará a cargo da orquestra Panorama e Chanel. Por último, o programa do domingo 13 abrirá ás 9:30 horas da mañá, co campionato de pesca infantil. A charanga Mekánica encherá de vida as rúas de Oroso desde as 10:30 horas durante a mañá e desde as 16:30 horas en horario de tarde. O Mago Romarís tomén ofrecerá as súas 'Ilusións ópticas', ás 11.30 horas e ás 17:·0 horas na praza Isaac Díaz Pardo. Durante as horas centrais do día, a asociación folclórica Buxos Verdes collerá brevemente o relevo da charanga para obsequiar cun espectáculo musical de pasarrúasna alameda de Góis e arredores. Tamén durante o mediodía, os bares colaboradores ofertarán degustacións de troitas momento no que tamén se lerá o pregón popular e se fará entrega dos premios e trofeos dos campionatos de pesca. Será ás 13:30 horas na alameda de Góis. Os actos institucionais serán clausurados pola Orquestra Marbella, que inaugurará unha sesión vermú para acompañar o xantar popular que terá lugar na carpa habilitada para tal efecto. A Festa da Troita pechara á noitiña do domingo, cunha última verbena a cargo da Orquestra Marbella e Os Satélites. |
NOS_15023 | Catros sindicatos afirman que as bases de helicópteros propias da Xunta están inoperativas e as brigadas heli-transportadas das mesmas "teñen que desprazarse a incendios en vehículos". | CIG, CCOO, UXT e CISF denuncian nun comunicado que a Consellería de Medio rural conta na actualidade cun único helicóptero poara facer fronte aos incendios en Galiza, dotación máis que insuficiente, sinalan, e que hai que engadir á "patente improvisación coa que segue actuando en materia de incendios forestais e á mala xestión coa que actúa o Goberno autonómico na organización dos medios propios, cos que conta para apagar os lumes forestais". As bases de helicópteros propias da Xunta de Galiza permanecen inoperativas por non ter helicóptero,denuncian, mentres as brigadas helitransportadas destas bases "teñen que desprazarse a incendios fóra da sua provincia en vehículos, como foi o caso da brigada de Campiño no lume forestal de Lousame donde arderon 28,1 has". Os axentes denuncian así mesmo que a política de contratación que utiliza o Goberno autonómico para contratar os medios aéreos de loita contra incendios "non é a axeitada, posto que tivo operativas bases aéreas durante meses de choiva e agora no mes de xuño, cando son realmente necesarias, éstas permanecen pechadas". |
NOS_12876 | A Audiencia de Ourense decretou o sobresemento provisional da causa sobre presuntas irregularidades nas contas de Democracia Ourensá ao revogar, como pedía o Ministerio Público, o auto ditado o 7 de xullo polo Xulgado de Instrución Número 3 de Ourense, no que reabría o caso porque consideraba que existían indicios de malversación de fondos. | Nun auto con data desta sexta feira e do que informou o TSXG, a Sala explica que a denuncia inicialmente formulada pretendía "examinar a tipicidade penal das supostas doazóns forzosas" que realizaba o persoal eventual contratado polo grupo político Democracia Ourensá, liderado polo alcalde de Ourense, Gonzálo Pérez Xácome. A este respecto, entende que "non cabe, vía recurso de reforma, ampliar o obxecto do proceso penal, desprazalo do seu primitivo obxecto e introducir un novo". Para iso, considera necesaria a "interposición dunha nova denuncia na que se precisen as condutas anómalas ás que se atribúe transcendencia penal, o que non ocorre na presente denuncia". "Non se prexulga na presente resolución o fondo do asunto que se introduce vía recurso", advirten os maxistrados, que recalcan que, "por unha cuestión formal", de "adecuación procedemental", estiman que "non procede a análise de feitos e condutas que non foron obxecto de denuncia, nin resultaron da previa instrución penal, todo iso sen prexuízo das accións que a parte estime exercitar ante as xurisdicións oportunas". O tribunal incide en que o procedemento penal "non é o mecanismo adecuado para obter claridade sobre a contabilidade do partido, nin sobre o destino das cantidades por este percibidas", á vez que engade que nel se investigan "feitos tipificados como delito, sen que poida ser empregado dunha forma prospectiva, como causa xeral, para a obtención de información". Ademais, lembra que a Lei Orgánica 8/2007 de Financiamento de Partidos Políticos prevé "mecanismos para coñecer e esixir a rendición de contas aos órganos de goberno destes". O auto é firme e contra el non cabe recurso. Xácome di que ten "preocupación cero" Ao asunto referiuse esta sexta feira o alcalde e líder de Democracia Ourensá, Gonzálo Pérez Xácome, no pleno municipal ao asegurar que "no mesmo día no que os tránsfugas anuncian que se van presentar ás eleccións" cun "novo partido político", a Audiencia "arquiva" a súa denuncia contra el "acusándoo de todo". "Eu non lle dei moita importancia cando me denunciaron, vostedes pódeno lembrar, e tampouco lla dou ao arquivo porque eu sabía que non había nada", manifestou Xácome, que insistiu en que ten "preocupación cero" ao asegurar que "quen sabe como están as cousas" é el. Así, chanceu con que "dicían que" o "ían deter". "Eu sempre dixen: 'sí en helicóptero'. Ían vir por terra mar e aire", afirmou para subliñar que o asunto está "arquivado non por un xuíz", senón pola Audiencia, "que son 3". |
PRAZA_18660 | "Innovar significa apostar pola investigación aberta con centros tecnolóxicos e universidades", di o presidente despois de que o seu goberno xustificase o transvasamento de fondos co argumento de que o bloque de oficinas da Cidade da Cultura será usado polas universidades | "Innovar significa apostar pola investigación aberta con centros tecnolóxicos e universidades", di o presidente despois de que o seu goberno xustificase o transvasamento de fondos co argumento de que o bloque de oficinas da Cidade da Cultura será usado polas universidades "Innovar para ser máis competitivos, e iso significa apostar pola dixitalización, pola investigación e a innovación aberta con centros tecnolóxicos e universidades". Así defendeu este mércores o presidente Feijóo a aposta da Xunta pola investigación e o desenvolvemento (I+D), da que o Goberno galego lembrou que "nos orzamentos para este ano a innovación acaparaba unha partida de case 80 millóns de euros". Unhas frases que o presidente pronuncia só cinco meses despois de que o pasado xuño o Goberno galego iniciase o transvasamento de 2,5 millóns de euros de partidas inicialmente previstas neses orzamentos deste ano para a I+D das universidades galegas á construción dun novo edificio na Cidade da Cultura. A intervención pública de Feijóo en defensa da I+D galega produciuse este mércores nun acto en Ourense de presentación por parte de Coren dos seus proxectos para 2019. Nel o presidente ademais de detallar o investimento directo da Xunta en I+D cuantificou en 571 millóns o global de fondos destinados en Galicia por empresas, administracións e universidades. A Xunta argumentou que coa construción desas oficinas no Gaiás vai "impulsar un complexo de I+D+i do Sistema Universitario Galego" Porén, parte do inicialmente orzamentado pola Xunta para este ano como investimento en I+D irá a parar finalmente a obras de construción dun edificio de oficinas, o denominado edificio Fontán que ocupará na Cidade da Cultura o espazo do nunca rematado Teatro. O argumento que deu o Goberno galego cando o pasado xuño tramitou a modificación orzamentaria precisa para desviar os primeiros 700.000 euros dos 2,5 millóns totais que prevé desviar da I+D á construción do edificio foi o de que nesas oficinas vai "impulsar un complexo de I+D+i do Sistema Universitario Galego". Recreación do edificio Fontán de oficinas para as universidades no espazo que ía ocupar o Teatro da Cidade da Cultura A contía desviada da I+D ao edificio do Gaiás coincide coa previsión de gasto para este 2018 dunhas obras que xa foron adxudicadas a unha das empresas que ía levantar o Teatro orixinal suprimido Eses 2,5 millóns a desviar este ano da I+D universitaria á construción do edificio na Cidade da Cultura coinciden exactamente cos cartos que, segundo o procedemento de contratación das obras, a Xunta prevé gastar no proxecto durante este 2018. Este cronograma proxecta que en 2019 os gastos ascendan a 3,5 millóns, que en 2020 a anualidade sexa de 8,3 millóns e en 2021, de 4,5 millóns máis. Así, ata chegar aos 17 millóns de euros previstos. As obras xa foron adxudicadas o mes pasado a unha das empresas que ía construír o Teatro orixinal suprimido e que Feijóo se comprometera a non rematar. |
PRAZA_610 | O IGADI vén de presentar a edición 2015 do seu informe Nós no Mundo, no que critica a cativa política do Goberno galego neste ámbito e os pasos atrás dados nos últimos anos. O documento inclúe outros traballos de análise, nos que tamén se sinala o escaso interese da oposición polo tema. | O IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) vén de publicar a edición 2015 de Nós no Mundo, o seu informe anual sobre a Acción Exterior de Galicia. A valoración realizada polo IGADI é, unha vez máis, negativa, como podemos ver na análise realizada por Xulio Ríos, director da entidade, no texto que encabeza o informe, titulado "A descapitalización da acción exterior galega". Xulio Ríos destaca que Galicia leva anos dando pasos atrás nun ámbito "onde conseguiramos éxitos significativos e importantes, froito dunha sensibilidade pública que foi capaz de comprender as transformacións operadas no noso entorno e converxer coa sociedade civil para formular as bases dunha alianza por Galicia no eido exterior". Non é a primeira vez que o IGADI manifesta esta posición, ben a través das edicións anteriores deste informe anual, en entrevistas e mesmo con xestos coma o abandono do propio Xulio Ríos do Consello de Acción Exterior creado por Feijoo debido á súa "inoperancia". O director do IGADI subliña que a acción exterior do Goberno galego está caracterizada pola "fragmentación", pois "non hai, non interesa, unha visión integral da acción e presenza de Galicia no mundo O director do IGADI subliña que a acción exterior do Goberno galego está caracterizada pola "fragmentación", pois "non hai, non interesa, unha visión integral da acción e presenza de Galicia no mundo, pasando a desandar o camiño e regresando aos compartimentos estancos, a inexistencia de coordinación e a mingua colectiva". Tamén "a insistencia na internacionalización empresarial como única razón de ser dun acompañamento institucional e político no exterior". A "desvinculación de calquera proxección identitaria, negativamente asociada a reivindicación nacionalista". E a "submisión incondicional e acrítica ao ditado diplomático do goberno central". Neste senso, lembra tamén os obstáculos impostos polo Goberno de Mariano Rajoy á acción exterior das distintas comunidades autónomas. O IGADI destaca que "o retroceso experimentado nesta década no plano oficial, non imputable directamente á crise senón a unha concepción política negadora deste ámbito da acción pública que desandou co argumento da crise, camiña a contracorrente das grandes tendencias globais", pois "en todos os países, tanto nos máis coma nos menos avanzados, está presente a necesidade de actuar transcendendo con ambición o marco das fronteiras tradicionais". E denuncia que a dinámica negativa emanada do Goberno galego "repercutiu de forma negativa igualmente na capacidade da propia sociedade civil para alargar a súa presenza nos mais diversos ámbitos relacionados coa acción e a presenza exterior". "En todos os países, tanto nos máis coma nos menos avanzados, está presente a necesidade de actuar transcendendo con ambición o marco das fronteiras tradicionais" Ríos lembra, así mesmo, que en 2014 fixeron dez anos da publicación do Libro Branco da Acción Exterior de Galicia, unha iniciativa impulsada polo IGADI que "permitía por primeira vez na historia contemporánea da nosa Terra plasmar un detallado horizonte estratéxico para a nosa presenza no mundo, desde unha perspectiva tan plural como rigorosa e cunha folla de ruta capaz de abarcar as mais diversas áreas de actuación". Ríos sinala que "aquela reflexión-proposta foi posible con unha Xunta de Galicia presidida por Fraga Iribarne e cunha maioría absoluta do Partido Popular" e engade que "hoxe, unha década despois, cun goberno da mesma formación, semella sen embargo que estamos a anos luz daquel tempo". "Nun tempo tan convulso como o presente, a acción exterior, tamén das entidades subestatais, non é unha política máis senón que é un dos piares esenciais das políticas públicas", subliña Ríos, que salienta que "para un país como Galicia, nun mundo globalizado coma o actual e cun goberno que con tanta énfase defende o concepto da internacionalización empresarial, non se comprende como, por simple coherencia, non se defende de igual maneira, poñamos por caso, o concepto de internacionalización cultural". "Precisamos estar no mundo non só cos nosos produtos senón coas nosas xentes, cos nosos proxectos, coas nosas ideas e forma de ser" "Galicia podería desenvolver unha diplomacia pública con unha presenza institucional multinivel que facilitara a presenza directa no exterior do tecido social" -conclúe- "Porque precisamos estar no mundo non só cos nosos produtos senón coas nosas xentes, cos nosos proxectos, coas nosas ideas e forma de ser". A oposición e a acción exterior Ademais da análise realizada por Xulio Ríos sobre as eivas na xestión do Goberno galego neste eido, o informe presenta interesantes achegas sobre o estado da cooperación internacional ao desenvolvemento (Daniel González Palau), a situación do galego e a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas (Valentín García e Alba Nogueira) e a mobilidade transfronteiriza (Constantino Cordal e Enrique José Varela). Pola súa banda, Xoán López Facal analiza a estratexia de internacionalización 2020. E o xornalista David Reinero reflexiona sobre "a empatía da oposición" coa acción exterior a partir do ton amosado polos seus líderes no último debate do Estado da Autonomía. "Que para o actual Goberno de Galicia a acción exterior non é unha prioridade máis alá da internacionalización da economía galega non é unha novidade. Pero se nun principio a oposición aínda se esforzaba en fiscalizar as políticas do executivo nesa materia e en propor ideas alternativas, nos últimos tempos PSdeG, AGE e BNG parecen querer darlle a razón aos non poucos analistas que veñen advertindo de que o Goberno galego non ten oposición no Parlamento autonómico", escribe Reinero. Reinero conclúe que o tema non constitúe "unha prioridade" para PSdeG-PSOE, AGE e BNG O xornalista explica que as forzas da oposisión empréstanlle "pouca atención" á acción exterior de Galicia e que cando o fan "boa parte das súas iniciativas están relacionadas con cuestións da axenda europea (mar e agro, fundamentalmente), á que resulta ben difícil cualificar a estas alturas como unha cuestión exterior". De igual xeito, comenta que "as viaxes internacionais de membros do Goberno galego só están a servir para que a oposición poña en dúbida o seu custe e a súa falta de transparencia, non para que se analicen os seus efectos prácticos nin para ofrecer ideas alternativas" ou que "Portugal e a Eurorrexión hai tempo que non aparece nos debates principais da Cámara". Reinero conclúe que o tema non constitúe "unha prioridade" para PSdeG-PSOE, AGE e BNG. Descarga aquí o informe Nós no mundo 2015 (.pdf) |
NOS_14465 | Case un millón de persoas foron expulsadas das súas terras en Paraguai, máis da metade xóvenes menores de 30 anos | Unha longa historia de acaparamento. Un país onde a metade da riqueza provén da agricultura. Onde menos do 2% da poboación repártese máis do 80% das terras, un dos maiores porcentaxes do mundo. Onde as oligarquías económicas, herdeiras da dictadura, impoñen o seu poder contra o pobo. Onde a protesta de 200 familias contra unha multinacional relanzou a loita campesiña en Paraguai. A eterna inxustiza agravouse na última década. Case un millón de persoas foron expulsadas das súas terras, máis da metade xóvenes menores de 30 anos. A irrupción da industria agroalimentaria da soia obrigou a moit@s a deixar as súas terras, afectadas pola toxicidade da fumigación, e emigrar á capital Asunción. Alí malviven na periferia, sen acceso aos servicios básicos, e sen o seu único sustento, o campo. O cultivo de soia convertiuse na principal forza económica do país, que ocupa 15 millóns de hectáreas, o 92% da superficie cultivable. A maioría en mans de transnacionais que producen alimento para 70 millóns de persoas, mentres 1,3 millóns pasan fame en Paraguai, segundo datos de Intermón Oxfam. A dictadura deixou en mans de militares e empresarios afíns ao réxime miles de hectáreas de terras destinadas a familias de agricultores pobres. A ONG ven de lanzar a campaña 'Xóvenes sen terra = Terra sen futuro' para denunciar a realidade de Curuguaty, a rexión onde a loita campesiña mantense forte contra os intereses da oligarquía. A dictadura de Alfredo Stroessner, entre 1954 e 1989, deixou en mans de militares e empresarios afíns ao réxime (a "triloxía" do seu poder) miles de hectáreas de terras destinadas a familias de agricultores pobres. Entre eles, o finado Blas Riquelme, empresario e político da dereita, que apropiouse de 2.000 hectáreas no Curuguaty. Cando o Goberno paraguaio aprobou o reparto destas terras, donadas ao Estado en 1967, a empresa de Riquelme, Campos Morumbí S.A, conseguiu facerse coa propiedade do terreo, nun claro exemplo de corrupción, o que levou ás familias campesiñas a ocupar o que traballarán durante décadas. Unha das ocupacións acabou na coñecida xa como 'masacre do Curuguaty'. As forzas de seguridade desaloxaron a finca con violencia, deixando 11 campesiños mortos e seis policías, situación que serviu ás forzas conservadoras para impulsar a destitución do presidente Fernando Lugo. O único que gobernará o país co reparto das terras como principal prioridade. Polos feitos decenas de campesiñ@s están a esperar a súa sentenza. Logo de meses de encarceramento e folgas de fama, conseguiron hoxe estar baixo arresto domiciliario. Mais as terra seguen en mans dos terratenentes, entre os que se encontra o recén elixido presidente, Horacio Cartes. Un empresario chegado a política, acusado de corrupción, e que se enriqueceu coa mesma industria que hoxe expolia a agricultura paraguaia. |
NOS_36311 | Os pacientes Covid hospitalizados mantéñense en 185, deles 29 en UCI, e a taxa de positividade ascende a un 2,6%% | Os novos contaxios de Covid-19 na Galiza repuntan a 165 tras iniciar a semana con 126, mentres que os casos activos deste coronavirus manteñen a tendencia ascendente por quinta xornada consecutiva e aumentaron até os 2.382. Segundo os datos publicados pola Consellería de Sanidade na mañá desta terza feira, con rexistros até as 18:00 horas desta segunda feira, 29 pacientes Covid atópanse en UCI -un menos que a xornada anterior- e os ingresados noutras unidades soben a 156 -un máis-, polo que se manteñen en 185 os hospitalizados. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria baixa en tres delas -A Coruña-Cee, Ourense e Santiago-Barbanza-, mantense na de Vigo; e aumenta nas de Pontevedra-O Salnés, Ferrol e Lugo. Os casos activos seguen coa tendencia ascendente e sitúanse en 2.382 no conxunto de Galiza, o que supón 66 máis que os rexistrados na xornada anterior, ao haber máis contaxios que altas. Con todo, por áreas sanitarias descenden lixeiramente en dúas, nas da Coruña e Cee (-1) e Ourense (-1), mentres que soben nas de Vigo (+5), Ferrol (+9), Lugo (+12), Santiago e Barbanza (+12) e Pontevedra-O Salnés (+30). En canto aos novos contaxios detectados con calquera tipo de proba, repuntaron na segunda xornada desta semana até os 165, o que supón 39 máis que os 126 rexistrados na anterior. Segundo os datos actualizados por Sanidade, do total de contaxios, 133 son positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas -20 máis que a xornada anterior-, dos cales 36 corresponden á área de Pontevedra e O Salnés; 32, á de Vigo; 21, á de Santiago e Barbanza; 18, á da Coruña e Cee; 11, á de Ourense; 10, á de Lugo; e cinco, á de Ferrol. En canto á taxa de positividade, aumentou lixeiramente até o 2,6% en Galiza tras descender a segunda feira a un 1%, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. Galiza rexistrou desde o inicio da pandemia 2.369 falecidos diagnosticados de Covid-19 tras notificar esta segunda feira Sanidade a morte dun home no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago que se produciu o pasado domingo, 11 de abril. |
PRAZA_14814 | O Consello de Ministros aproba o Real Decreto que desenvolve a reforma laboral para permitir, entre outros aspectos, a aplicación de expedientes de regulación de emprego sen necesidade de autorización das autoridades laborais | A mesma inseguridade que no sector privado, a efectos prácticos. Un dos efectos máis temidos da vaga de recortes do Goberno central entre parte do persoal ao servizo das administracións públicas era a posibilidade de ver perigar os seus postos de traballo. Esa posibilidade é xa unha realidade. Este venres, cinco días despois das eleccións galegas, o Consello de Ministros deulle luz verde ao Real Decreto que concreta o regulamento "dos procedementos de despedimento colectivo, suspensión de contratos e redución de xornada", unha norma que desenvolve a reforma laboral e que deixa a porta aberta para aplicar, coa lei na man, despedimentos colectivos entre o persoal laboral ao servizo de calquera administración -Goberno central, autonomías ou entes locais- ou organismo dependente destas -empresas públicas-. Mentres que o funcionariado escapa, cando menos polo momento, deste tipo de cesamentos masivos -"teñen un réxime xurídico distinto", advirten desde La Moncloa-, o persoal laboral só estará separado da ringleira do paro por unha serie de trámites burocráticos se así o decide a autoridade competente. Así, por exemplo, se a Xunta quere aplicar un ERE entre o persoal laboral dalgún dos seus departamentos tería que xustificalo a través dun informe da súa propia dirección xeral da Función Pública. Tamén "interviría" -dende o gabinete de Mariano Rajoy non se especifica de que xeito- a "autoridade laboral", isto é, a Consellería de Traballo, e a inspección de traballo, dependente do Ministerio de Emprego. As administracións poderán aplicar despedimentos colectivos en caso de "insuficiencia persistente para o financiamento dos servizos" Para poñer en marcha estes procedementos a administración en cuestión terá que presentar "por escrito" as "causas que motivan" e, se estas son económicas, debe engadir "os orzamentos do organismo ou entidade e a certificación do responsable da oficina orzamentaria ou órgano contable" da propia institución. Malia á escaseza das explicacións ofrecidas pola ministra de Emprego, Fátima Báñez, ao remate do Consello de Ministros, unha ollada ao borrador do real decreto, ao que tivo acceso Praza Pública, permite observar que serve como causas de despedimento colectivo a "insuficiencia sobrevida e persistente para o financiamento dos servizos públicos correspondentes", cuestión que depende da xestión económica da propia administración que despide. No caso das autonomías, terán vía libre para aplicar un ERE se xustifican que reciben un 10% menos de transferencias económicas do Estado. ERE no sector privado sen autorización previa da Xunta Se estes procedementos non son excesivamente complexos no caso das administracións propiamente ditas, sono aínda menos nas "empresas públicas, entidades ou sociedades mercantís en cuxo capital participe maioritariamente o Estado. Neste caso, simplemente "aplicaranse as mesmas causas e procedementos que dean lugar a despedimentos colectivos con carácter xeral para as empresas do sector privado". Estes procedementos de extinción de postos de traballo no sector privado están tamén regulados no Real Decreto, concretando así un dos aspectos máis controvertidos da reforma laboral: a aplicación de expedientes de regulación de emprego sen autorización da autoridade laboral, a Consellería de Traballo no caso de Galicia. Así as cousas, segundo a nova normativa a autoridade laboral limítase a exercer "funcións de vixilancia" durante, por exemplo, o denominado "período de consultas -negociación entre empresa e representantes do persoal afectado-". Deste xeito, á Xunta corresponderíalle "axudar ás partes para buscar solucións aos problemas derivados das medidas laborais a adoptar". Ata a última reforma laboral, ademais podía frear o ERE. |
PRAZA_11651 | No primeiro semestre deste 2019 naceron 7.695 nenos e nenas, fronte aos 8.311 do mesmo período do 2018. O número de defuncións (16.121) duplica as cifras de novas inscricións. O noso país é a comunidade autónoma con peor saldo vexetativo. | Galicia comezou o ano 2019 mantendo a mesma tendencia descendente no número de nacementos. As 7.695 novas inscricións no primeiro semestre deste ano empeoran os datos do mesmo período do 2018 (8.311). Neste tempo morreron máis do dobre de persoas, cun total de 16.121 defuncións, algo por debaixo do dato anterior (17.472).O noso país é a comunidade autónoma que presenta un saldo vexetativo máis negativo (-8.426), por diante de Castela-León, Comunidade Valenciana, Asturias e CataluñaSegundo as cifras publicadas polo INE, o noso país é a comunidade autónoma que presenta un saldo vexetativo máis negativo (-8.426), por diante de Castela-León, Comunidade Valenciana, Asturias e Cataluña. O INE difundiu tamén as cifras definitivas de movemento natural de poboación correspondentes ao ano 2018, confirmando os datos adiantados hai uns meses. No conxunto do ano en Galicia houbo 16.560 nacementos, e 32.419 mortes, case o dobre. No conxunto de España rexistrouse un número de nacementos inferior nun 6,1%, pero no noso país a caída supera o 10%. Tan só Asturias presenta unha taxa de natalidade máis reducida que a galega (5,60 nacementos por cada mil habitantes fronte aos 6,14 de Galicia). Dende a entrada en vigor do cheque-bebé en 2015, o número de nacementos descendeu un 15% en GaliciaGalicia acumula 35 anos con máis mortes que nacementos. As medidas postas en marcha pola Xunta nos últimos anos semellan non ter producido efecto ningún. A finais de 2015 e nos primeiros meses de 2016 o Goberno galego puxo en marcha o cheque-bebé. Dos 19.427 nacementos que se rexistraron no ano 2015 pasouse a 16.550 tres anos despois, un descenso do 14,8% dende a entrada en vigor desas accións.Este verán a Xunta presentou unha Lei de impulso demográfico xenérica e con escasas medidas novas, unha norma que foi moi criticada polos partidos da oposición.Só sete concellos (Ames, O Porriño, Arteixo, Poio, Salceda de Caselas, Oroso e Barbadás) tiveron máis nacementos que mortes o pasado anoSó sete concellos (Ames, O Porriño, Arteixo, Poio, Salceda de Caselas, Oroso e Barbadás) tiveron máis nacementos que mortes o pasado ano. Hai unha década había 46 concellos que mantiñan un saldo vexetativo positivo; no 2013 eran só 17 e no 2017 ficaban apenas 13; hoxe son só 7. Ademais, no ano 2018 houbo dez concellos, (todos da provincia de Ourense agás un) no que non se rexistrou nacemento ningún. En total, hai 95 concellos (case un terzo do total) nos que o pasado ano houbo cinco nacementos ou menos. E 145 (case a metade) nos que naceron un máximo de dez nenos ou nenas. |
PRAZA_19109 | A xustiza cita a declarar como investigados a concelleiros populares e o alcalde no marco da investigación polo pago con fondos públicos da asistencia a unhas comisións de coordinación presuntamente ilegais, instauradas desde hai 25 anos e nas que se terían gastado uns 400.000 euros. | O xulgado de primeira instancia de instrución número 1 de Caldas de Reis vén de citar a declarar en calidade de investigados a sete dos nove concelleiros do PP no Concello de Valga, entre eles o seu alcalde -do mesmo partido- polos presuntos cobros irregulares procedentes das arcas municipais. O equipo de goberno deste municipio está imputado por presuntos delitos de malversación e prevaricación derivados do cobro polas asistencias do rexedor e dos seus edís a unhas reunións semanais denominadas comisións de coordinación, unha peculiar figura instaurada nesta localidade desde hai máis de dúas décadas. Todo o grupo de goberno de Valga, do PP, será investigado por un presunto delito de malversación e prevaricación Na demanda, admitida a trámite o pasado verán, os denunciantes sinalan que estas comisións de coordinación véñense realizando dende o ano 1992, momento no que José María Bello Maneiro accedeu á alcaldía, na que continúa a día de hoxe. O PSdeG, único partido na oposición e quen denunciou estes feitos, advirte que os pagamentos recibidos polo rexedor e os concelleiros do grupo de Goberno pola asistencia a estas xuntanzas son mesmo superiores aos órganos colexiados regrados. Así, tal e como se pode comprobar na documentación municipal, os edís populares cobran 60 euros por cada vez que asisten a unha desas comisións de coordinación, a mesma cantidade que reciben os concelleiros por acudir á xunta de goberno, 10 euros menos que pola asistencia ao pleno e 30 menos que pola presenza nas sesións informativas. A xuíza investiga o presunto cobro irregular de cartos públicos a través de dietas pola asistencia a comisións de coordinacion, instauradas hai 25 anos Ademais, o PSdeG lembra que estas novidosas xuntanzas, que levan vixentes 25 anos en Valga, non están recollidas nin amparadas pola lei e a elas non asiste funcionario ningún do Concello, nin tan sequera o secretario. Segundo cálculos do grupo socialista, os presuntos cobros irregulares terían suposto preto de medio millón de euros ás arcas municipais desde 1992 e, na actualidade, supoñen 25.000 euros anuais nun municipio duns 6.000 habitantes. Os supostos cobros irregulares terían suposto un gasto total duns 400.000 euros nos últimos 25 anos, uns 15.000 por cada exercicio Segundo fontes coñecedoras do proceso xudicial, a información achegada polo interventor ao maxistrado nas dilixencias previas advertía dun gasto para o Concello de 215.000 euros no período entre 2003 e 2016, o que supón unha media de máis de 15.000 euros en cada exercicio e dun total, de estendelo a todo o período,duns 400.000 euros. Precisamente, na providencia que agora cita como investigados os concelleiros do PP, a xuíza solicita ao mesmo interventor e ao secretario municipal que acheguen tamén documentación "das persoas que viñeron recibido ingresos por asistir ás comisións de coordinación desde o ano 1992 até 2003, así como as cantidades percibidas por aquelas". A maxistrada reclama tamén que se acheguen ao xulgado "datos identificativos de quen era alcalde do Concello, secretario e interventor no momento de creación das comisións de coordinación investigadas". Hai xa anos que a oposición denunciou a existencia destas dubidosas comisións de coordinación en Valga, aínda que non foi até hai uns meses cando o PSdeG decidiu denunciar nun xulgado a situación. O grupo socialista destaca que o goberno local veu obstaculizando os intentos da oposición de fiscalizar estes cobros irregulares, denegándolle información sobre estes pagamentos ou sobre as actas das citadas xuntanzas. Algúns dos datos aos que si puideron acceder os concelleiros socialistas acreditan que o custo para o Concello da asistencia a estas xuntanzas só no primeiro trimestre de 2015 ascende a case 8.000 euros, tal e como destacaba na denuncia. O PSdeG cualifica de "escandalosa" a existencia destes "sobresoldos para cargos do PP" Desde o PSdeG da localidade cualifican de "escandaloso" a existencia destes "sobresoldos para cargos do Partido Popular" no municipio, así como o elevado custo que iso tería suposto para as arcas municipais. As primeiras declaracións dos concelleiros do PP e máis do alcalde levaranse a cabo o vindeiro 29 de marzo, mentres que a segunda quenda terá lugar o 5 de abril, xornada na que tamén declararán como testemuñas o interventor e o secretario municipal. |
NOS_19418 | O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, participou o sábado na décimo Festa do PSdeG en Oroso, para amosarlle o seu apoio a Xoaquín Fernández Leiceaga, candidato á Presidencia da Xunta, e para lle ofrecer "todo o esforzo da Executiva Federal". | Pedro Sánchez viaxou desde Madrid até Galiza para participar na X Festa do PSdeG que tivo lugar na xornada do sábado en Oroso. Alí, e nun contexto de crise no seo do PSdeG, o secretario xeral do PSOE amosoulle o seu apoio a Leiceaga e ofreceulle o seu "traballo e compromiso", así como "todo o esforzo da Executiva Federal". Sánchez sinalou que "nos pouco máis de dous anos" que leva á fronte do partido socialdemócrata tivo a posibilidade de falar "con gandeiros galegos que necesitan unha Xunta que defenda os seus intereses e dereitos", así como "con moitos mozos que tiveron que emigrar", "con moitos traballadores do sector pesqueiro" e "cun sector sanitario galego que se ve ameazado pola privatización". "Todos eles esixencambiar a Xunta e por iso estou convencido de que o 25 de setembro gañará o cambio na Galiza e ti [en alusión a Leiceaga] gobernarás ese cambio", engadiu. "E por experiencia dígoche, nada de enquisas, a falar coa xente, a convencelos", emprazou o candidato do PSdeG. Posibilidades de cambio "reais" "Non nos imos deixar comprar por moito que [Feijóo] utilice o DOG nestas semanas para contentar uns e outros" Leiceaga, pola súa banda, criticou a actuación de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta, ao que acusou de "estar instalado na autocompracencia" e de "ser o presidente dunha Galiza minguante". "E xa non valen os recursos de última hora, non pode insultar os galegos con promesas electorais, porque non nos imos deixar comprar por moito que utilice o DOG nestas semanas para contentar uns e outros", sinalou o candidato á Presidencia da Xunta, quen lembrou "os oito anos de inacción, parálise, recortes e máis débeda". O cabeza de lista do PSdeG asegurou que as posibilidade de cambio o 25S "son reais" e que "dependen no fundamental de nós. Temos a responsabilidade histórica de saír a defender Galiza e volver escribir unha páxina de progreso. O futuro vai depender de nós, do que fagamos nos próximos 21 días". Na festa dos socialdemócratas houbo destacadas ausencias, como a de Abel Caballero, alcalde de Vigo, quen non acudiu á cita en que participaba Pedro Sánchez após as discrepancias pola elaboración das candidaturas do PSdeG ao Parlamento. |
NOS_18097 | O Concello de Pontevedra reciclou durante o ano 2019 un total de 3.086,69 toneladas de residuos, logrando a cifra máis alta neste cómputo desde 2011. | De maneira "moi positiva" valorou o concelleiro nacionalista e responsábel da xestión dos residuos en Pontevedra, Raimundo González, o dato que eleva a 3.086,69 as toneladas de residuos que se reciclaron neste concello durante o ano 2019. Desta maneira, amósase como a acción de reciclar continúa aumentando na cidade pontevedresa. De feito, o número de toneladas recollidas nos colectores de vidro, envases lixeiros e papel e cartón amosa que segue que, con respecto a 2018, recolléronse 458,46 toneladas máis, o que supón un aumento de case 20%. Desgranando a recollida selectiva, por tipo de residuo, o papel e o cartón están á cabeza, cunha recollida de 1.178,59 toneladas (920 toneladas foron no ano anterior). De vidro recolléronse 1.073,95 toneladas (940 en 2018) e 834,15 foron recollidas dos colectores amarelos de envases lixeiros (768,20 no ano anterior). O concelleiro Raimundo González quixo tamén lembrar que, alén da recollida de residuos de cartón e papel, vidro e envases lixeiros, o Concello traballa no tratamento dos biorresiduos grazas aos composteiros individuais así como cos centros comunitarios de compostaxe. De feito, as concellarías de Xestión dos residuos orgánicos e do Rural continúan co reto de estender a compostaxe en todo o concello de Pontevedra e nas súas diversas vertentes, polo que desde o mes de outubro teñen posto en marcha a implantación da compostaxe individual nas vivendas unifamiliares do rural pontevedrés. |
NOS_19719 | Representantes da CIG, UXT, CCOO e CSIF do persoal das residencias públicas mantiveron encontros con responsábeis de PP, BNG e PSOE para demandar solución á súa "precariedade". | Na décimo oitava semana de protestas das traballadoras e traballadores dependentes de Política Social da Xunta da Galiza, representantes da CIG, UXT, CCOO e CSIF mantiveron encontros con responsábeis dos tres grupos políticos con presenza no Parlamento -PP, BNG e PSOE- para buscar unha saída "á precariedade" que din padecer "desde o ano 2012". Mar Peteira, traballadora do sector e membro da CIG, denuncia que a titular deste departamento, Fabiola García, "nunca nos chamou a negociar" e engadiu que "non nos vale de nada que en comparecencia parlamentaria a conselleira diga que está moi orgullosa do seu persoal". Redución de persoal Acompañada por membros dos outros sindicatos, Peteira lembrou que a lei de medidas aprobada en 2012 para o persoal de Política Social fixo que se concretara unha "redución de persoal", ademais de rematar por facer que "non se reciba ningunha compensación por traballar domingos e festivos", algo que, segundo esta sindicalista, "non pasa en ningunha empresa da Galiza, só na Consellaría de Política Social". Para este sector a crise sanitaria derivada da pandemia da Covid-19 "agravou" a situación que tivo que salvarse co traballo profesional das traballadoras e traballadores que compensou "a falta de medios materiais e persoais" para "manter as condicións óptimas" nos centros residenciais públicos. Devolución dos seus dereitos A representante sindical reclamou a devolución dos dereitos "que se nos suspenderon" e advirte que se atopan "a mínimos" na actualidade. "As demandas veñen de moi atrás, mais esta situación de pandemia evidenciounas", sinala Peteira "se ti levas traballando anos con precariedade, cando vén unha crise como esta, agudízanse", chegou a engadir a representante da CIG. Nas reunións cos grupos tratouse da carga de traballo e a falla de medios do persoal nos centros de política social e solicitouse que nos orzamentos para 2021 se reforce o cadro de persoal dos centros de xestión pública aumentando o número de prazas públicas como garantía de calidade asistencial nas residencias e para "parar o negocio dos coidados coas nosas e cos nosos maiores". |
NOS_4777 | A Plataforma galega en defensa do ensino público criticou unhas contas minguantes que se traducen nun ensino en deterioro. | A Plataforma galega en defensa do ensino público denunciou que os orzamentos da Consellaría de Educación supoñen un decrecemento desde o ano 2009 dun 33% (680 millóns). Algo que, en palabras de Anxo Louzao, van contribuír a deteriorar o ensino, eacrecentar a privatización, a segregación e as diferenzas sociais. A PGDEP compareceu en rolda de impresa para demandar solucións para as diferentes problemáticas que "inciden negativamente na boa marcha do curso escolar e que están a supor un deterioro do ensino público". Advertiu neste sentido, que os orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2016 non van resolver as carencias que existen, á vez queinsistía na necesidade dun novo modelo de xestión do comedores escolares e demandou ás diferentes organizacións políticas que se presentan ás eleccións xerais o compromiso de derrogar a LOMCE. A Plataforma tamén anunciou a súa participación na cadea humana que se vai realizar en Malpica o vindeiro 12 de decembro ás 12:00 horas para defender unha nova regulación da atención educativa domiciliaria que fixe dereitos e obrigas para a administración. |
PRAZA_1743 | O alto comisionado parlamentario presentou o informe A situación das persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, realizado en colaboración co tecido asociativo, que pide a fin das situacións discriminatorias en todos os ámbitos | O Valedor do Pobo alerta de que a maior parte dos casos de LGTBIfobia non se denuncian, destacando que no que levamos de 2015 recibiu "menos de dez queixas concretas e específicas" procedentes deste colectivo por situacións nas que os seus dereitos foron vulnerados. Fíxoo na presentación do informe A situación das persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, realizado en colaboración co tecido asociativo, que pide a fin das situacións discriminatorias en todos os ámbitos. Deste xeito, o documento dálles voz ás demandas destas asociacións, centradas por exemplo na necesidade de incluír unha perspectiva non discriminatoria transversal en cuestións como a educación, a sanidade, o ámbito laboral, e tamén nas políticas de atención ás persoas maiores. Tamén subliñan a importancia de "educar na diversidade" e formar o profesorado, o alumnado e mesmo as familias para previr o bullying homofóbico, con especial atención ao grupo dos menores transexuais escolarizados. Tamén é central a demanda de acceso de mulleres lesbianas ou soas, a programas públicos de reprodución asistida, na actualidade prohibido en Galicia. O Valedor do Pobo alerta de que a maior parte dos casos de LGTBIfobia non se denuncian, destacando que no que levamos de 2015 recibiu "menos de dez queixas concretas e específicas" procedentes deste colectivo De igual xeito, o informe sinala que os sistemas públicos de saúde deben ter en conta as necesidades das persoas LGTBI, co que iso supón en materia de formación de persoal e políticas de saúde específicas para este sector da sociedade. No ámbito laboral, destaca que se debe promover que as empresas adopten medidas para garantir a igualdade de trato, por exemplo, mediante a adopción de códigos de conduta e de boas prácticas que inclúan medidas positivas para responder as necesidades das persoas LGTBI. "Temos que seguir traballando para derrubar barreiras e acabar coa discriminación e os prexuízos sociais, para xerar unha sociedade na que todas as persoas poidan gozar plenamente dos seus dereitos en situación de igualdade real", conclúe o informe, que destaca que "a pesar de existir unha prolixa normativa antidiscriminatoria, a cidadanía que se autodefine como LGTBI non fai uso das ferramentas legais, administrativas ou penais, de que dispón para facer valer os seus dereitos", preguntándose polos motivos desta situación, que poderían estar no descoñecemento, no medo ou mesmo na desconfianza no sistema. A Lei de igualdade de trato atribúelle ao Valedor funcións específicas en relación con esta comunidade, que van desde prestar apoio ás persoas que puidesen ter sufrido discriminación ata servirlles como órgano de mediación, iniciar de oficio investigacións ou instar a actuación das administracións públicas. Na elaboración do informe colaboraron Alas Coruña, Chrysallis, ALEAS-EU, FEGLBT, It gets better, Nós Mesmas, Ultreia LGTBI e 7 Cores. Tamén é central a demanda de acceso de mulleres lesbianas ou soas, a programas públicos de reprodución asistida, na actualidade prohibido en Galicia Un dos colectivos que colaborou na elaboración do informe, ALEAS-EU, cualificou como "moi positivo" que o Valedor do Pobo "recollera as demandas dos diferentes colectivos das persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais da nosa comunidade". Para o seu voceiro, Noel Dopazo, o informe é "un pequeno avance, pero un avance, no camiño da loita contra a discriminación deste colectivo, aínda que non podemos pensar que vivimos nunha igualdade real". Dopazo subliñou que "seguimos sufrindo agresións cara ao colectivo LGTBI", que "van en aumento en cada ámbito da vida: escola, traballo, espazos públicos". "Segundo o último informe do Ministerio do Interior" -sinalou- "o 40% dos delitos de odio do 2014 foron causados por orientación sexual ou identidade de xénero, unha lacra coa que temos que loitar diariamente". Dopazo denuncia que "a Xunta parece querer criminalizar as persoas que practican sexo libremente, en vez de adoptar medidas reais contra os contaxios de VIH" A diferenza do Valedor, Dopazo amosouse crítico coa devandita Lei de Igualdade de Trato e non Discriminación de persoas LGTBI en Galicia, que cualificou como "unha campaña publicitaria que quedou en papel mollado, posto que non se están utilizando os poucos contidos aproveitables que ten". Así mesmo, denunciou que "a Xunta parece querer criminalizar as persoas que practican sexo libremente, en vez de adoptar medidas reais contra os contaxios de VIH". Descarga aquí o informe completo (.pdf) |
NOS_27984 | Pacientes que probaron tecovirimat nun estudo de científicos ingleses presentaron un cadro sintomático leve e de curta duración. Os investigadores subliñan a importancia de que os países estean coordinados para facer fronte con respostas rápidas a "gromos esporádicos" de varíola do mono. | Un novo estudo retrospectivo sobre sete pacientes diagnosticados con varíola do mono no Reino Unido entre 2018 e 2021 suxire que algúns medicamentos antivirais poderían ter o potencial de acurtar os síntomas e reducir a cantidade de tempo que un paciente é contaxioso. Os casos analizados no estudo, publicado na revista The Lancet Infectious Diseases, representan os primeiros casos de transmisión intrahospitalaria e transmisión doméstica fóra de África, alén de informar sobre a resposta dos pacientes ao uso de dous medicamentos antivirais diferentes —brincidofovir e tecovirimat— para tratar a enfermidade. Sanidade, "á espera" de confirmar tres contaxios de varíola do mono Os efectos do tecovirimat O estudo atopou poucas probas de que o brincidofovir fose beneficioso desde o punto de vista clínico, pero concluíu que estaría xustificado seguir investigando o potencial do tecovirimat. Os autores tamén informan da detección do virus da varíola do mono en mostras de sangue e gorxa. Un dos pacientes tratados con tecovirimat experimentou unha duración máis curta dos síntomas e da excreción viral do tracto respiratorio superior. Con todo, os autores sinalan que non se poden extraer conclusións sobre a eficacia dos antivirais contra a varíola do mono nunha cohorte tan pequena, e piden que se sigan investigando os antivirais para tratar esta enfermidade tropical desatendida. Todos os pacientes experimentaron unha enfermidade leve e foron tratados nunha contorna hospitalaria por motivos de control da infección e non debido á gravidade da mesma. Ningún paciente experimentou as complicacións graves comunmente recoñecidas desta varíola, como a pneumonía ou a sepse. A OMS advirte dun notábel incremento de casos de varíola do mono Porén, un paciente experimentou unha recaída leve seis semanas despois da alta hospitalaria, e outro desenvolveu un absceso tisular profundo que requiriu drenaxe. Control da enfermidade Dado que aínda non se estabeleceron as estratexias óptimas de control e tratamento da infección, os datos do estudo poderían contribuír aos esforzos mundiais por comprender mellor as características clínicas da enfermidade, así como a dinámica de transmisión. "Mentres as autoridades de saúde pública tentan comprender a causa dos gromos de maio de 2022 en Europa e América do Norte [que afectaron varios pacientes que non informaron de ningunha viaxe nin identificaron un vencello cun caso coñecido anteriormente], o noso estudo ofrece algunhas das primeiras ideas sobre o uso de antivirais para o tratamento da varíola do mono en humanos", destaca o doutor Hugh Adler, do Liverpool University Hospital NHS Foundation Trust, autor principal do traballo. Deforestación, comercio ilegal e cambio climático alentan a alza das zoonoses Pola súa parte, o doutor Nick Price, do Guy's & St Thomas' NHS Foundation Trust, subliña que os casos notificados no estudo, "alén dos gromos recentes, poñen de manifesto a importancia de manter unha rede de colaboración de centros en estado de alerta para xestionar gromos esporádicos de patóxenos de alta consecuencia, como a varíola do mono". Os casos seguen en aumento Os surtos fóra de África son inusuais, pero nos últimos días notificáronse algúns significativos en varios países europeos, incluído o Reino Unido, que fica á cabeza con máis de 50, seguido do Estado español e Portugal, que roldan os 40. Dos sete casos de varíola do mono no Reino Unido analizados neste estudo, catro foron importados de África Occidental, e outros tres producíronse debido á transmisión de persoa a persoa dentro dos grupos de casos. |
Subsets and Splits
No community queries yet
The top public SQL queries from the community will appear here once available.