ID
stringlengths
5
12
summary
stringlengths
0
1.73k
text
stringlengths
0
68.7k
PRAZA_15941
ENTREVISTA Nadia Hariri é representante de SURIA, colectivo de sirios na Coruña que busca visibilizar o conflito no seu país e axudar os refuxiados que cheguen a Galicia. "Hai moreas de solicitudes para acollelos, pero non dan chegado porque o Executivo central non quere", di.
O colectivo SURIA nace na Coruña como unha resposta á crise de refuxiados que acontece en Siria. A organización intenta informar e concienciar a cidadanía galega, ao mesmo tempo que presiona as institucións locais para que non se esquezan do problema sirio. Os seus medios baséanse na arte, con pequenos proxectos como a súa obra de microteatro. pequena peza teatral na que participa a súa representante, Nadia Hariri. Falamos con ela sobre o colectivo e os labores que están a facer. Como xorde o colectivo SURIA? De onde vén a idea de crealo? O proxecto de SURIA bota a andar durante o pasado verán. Sobre todo tras a tráxica foto de Aylan, o neno que afogou no mar Mediterráneo ao intentar alcanzar a costa grega. No entanto, todos os primeiros membros estabamos máis ou menos sensibilizados coa causa xa que temos lazos familiares ou amigos alá. Pero a foto funcionou para que nos decatáramos de que era preciso poñerse a facer algo para que a estampa non se repetise. Axiña nos puxemos a traballar coa intención de facer calquera cousa que os puidera axudar. Aínda que o conflicto sirio leva activo xa cinco anos, neste momento estamos a aproveitar o empurrón informativo destes meses para mover e visibilizar un pouco máis a noticia e conseguir que o foco mediático non se afaste mentres continúan as hostilidades. "Os concellos teñen as mans atadas na acollida dos refuxiados pola actuación do Goberno central" Supoño que na actualidade recibirán moitos máis apoios, pero como foi ao principio? Quen estivo aí dende o comezo para axudarlles? Comezamos a traballar e a falar dende un primeiro momento co Concello da Coruña, e dende o minuto un xa nos puidemos reunir frecuentemente coa concelleira de Igualdade e Diversidad,e Rocío Fraga. Ao mesmo tempo tamén recibimos moito apoio nas reunións que tivemos coas familias sirias que levan moitos anos vivindo na cidade da Coruña, o cal foi moi importante pois algúns levan incluso máis de cincuenta anos. Con eles, propuxémonos un dos primeiros obxectivos que desafortunadamente aínda non logramos acadar, e que parece moi improbable que poidamos facelo: que as persoas que vivísemos aquí e que tivesemos familiares en perigo ou en situacións desfavorables en Siria puidesemos axudalos. A nosa intención era que cada familia fixera unha listaxe cos nomes, a localización, a situación e o número de familiares que tiñan en perigo para entregala no Concello e que este mirara se se podería facer algo por eles. Non obstante, todo o tema de acollida de refuxiados depende do Goberno de España. No Concello fixeron todo o que puideron mais atópanse coas mans atadas pola actuación do Goberno central. Ademais da axuda aos seus familiares, cales son os seus obxectivos principais? O primordial é saber que o colectivo xorde como fonte de coñecemento e de información do mundo sirio. O que nós intentamos é concienciar as persoas, polo que a través de SURIA intentamos informar e amosar á poboación quen son os sirios, cal é a súa cultura, os seus costumes... Sobre todo no caso de que viñesen -aínda que como xa dixen, a día de hoxe, non veu ninguén-, para que a integración sexa o máis fácil posible. Con SURIA intentamos concienciar a cidadanía mediante diferentes proxectos. Por exemplo, a actriz Lia Pichel e eu fixemos unha peza de microteatro chamada Awlad baseada nunha historia de dúas rapazas durante a guerra e como as súas vidas cambiaban tras a primeira bomba lanzada. Desta forma, o que tratamos e de concienciar mediante a arte e que vexan por eles mesmos o que está a acontecer alá. Este é o noso modus operandi, mediante a arte, mediante algo bonito poder reflectir algo tan horrible. Levan aínda só algo máis de medio ano, mais son un colectivo bastante activo. Por exemplo, colaboraron con Gabriel Tizón e Rocío Botana no libro Muros... Eles souberon de nós e propuxéronnos unha colaboración para falar sobre o colectivo, a situación que se estaba e está a vivir en Siria e con dúas ilustracións que achegamos. Máis tarde colaboramos de novo con eles nun concerto benéfico que organizaron e permitíronnos facer a nosa pequena peza teatral. En definitiva, a colaboración xurdiu porque nos pareceu unha grande oportunidade para tratar a problemática dende outro enfoque. "É incrible ver como a xente de a pé fai todo por axudar a outros que nin tan sequera coñecen" Que outras actividades levaron a cabo nos últimos meses? Colaboramos con Cruz Vermella levando a nosa peza teatral e facendo diversas conferencias para dar a coñecer a causa. Foi coa obra coa que máis nos movemos. Actuamos en Vimianzo, A Coruña... Unha das mellores experiencias foi a actuación en Baio. Alí participamos con Xurxo Souto e as alumnas e alumnos do instituto fixeron unha sorprendente foliada solidaria. É incrible ver como a xente de a pé, xente moi nova e de todas as idades, facía todo iso por axudar a outros que nin sequera coñecían. É fermoso ver como todos somos iguais e temos as mesmas preocupacións. Por outra bada, nalgúns puntos do mapa europeo a cidadanía está a responder dun xeito non tan agradable e conciliador, con ataques e discursos xenófobos algunhas veces. No tempo que levan, viron ou notaron algunha vez estas respostas na xente? Nesta cidade, na Coruña, o que realmente sentimos case sempre é unha cidadanía moi envorcada, moi aberta e moi preparada para axudar. Mesmo moita xente escribiunos ao colectivo preguntando como poderían axudar ou advertindo que contemos con eles para calquera actividade. A nosa percepción é que o único que falta é que os refuxiados cheguen, que ese é o único problema, que non dan chegado. Pero hai unha morea de solicitudes de persoas que desexan acollelos mesmo nas súas casas. O problema é que non chegan porque o Goberno de España non quere. "Hai moreas de solicitudes para acoller refuxiados nas casas pero o problema é que non dan chegado porque o Goberno non quere" Como ven a resposta á crise de refuxiados actual que se está a dar dende as institucións europas e dende os Estados que a compoñen? Eu síntome avergoñada porque é incrible que no século XXI estean acontecendo estas cousas. É completamente unha falta de interese. Por iso eu poño o foco do problema nas institucións. Porque aínda que é verdade que si que hai focos de racismo en todos os lados o que estamos a observar é que moitísima xente está moi preparada para acollelos. Se dependese das persoas do pobo, a axuda estaríase a producir. Mais non depende maiormente de nós, senón das grandes institucións e dos gobernantes que non se mollan, e que só ven cifras e números sen lembrar que detrás destes hai unha historia ou un drama dunha persoa ou dunha familia. O problema non se soluciona porque para os Estados eles só son números. Ás veces pregúntome como podo pertencer a Occidente, non logro entender o que está a acontecer. "Para os Estados, os refuxiados só son números... Ás veces pregúntome como podo pertencer a Occidente" E cales son os plans de futuro na organización, vense con intención de subir a presión a outros niveis? Si. Aínda que a nosa intención segue a ser a de traballar para cambiar as cousas dende A Coruña. Agora mesmo estamos a facer todo o que podemos dende aquí, pero cremos que con pequenos grans de area ao longo do país podemos facer unha gran montaña. A nosa intención é continuar como ata agora, usando a arte dende o respecto para poder informar e concienciar a cidadanía. Outro nivel abriríase se os refuxiados chegaran. Nese intre, aí estaríamos nós para apoialos e para integralos na sociedade, xa que o cambio cultural é evidente. Aínda así, teño que dicir que dende o noso colectivo estamos preparados para facelo, pois a maioría estamos ligados a ambos os dous mundos. Os nosos plans de futuro deben e teñen que pasar pola axuda a todos os que veñan. Mais mentres tanto, temos que seguir informando, explicando e concienciando a toda a poboación do país, sobre todo para que a cidadanía non esqueza o problema que segue existindo. Teñen algunha próxima actividade xa programada para as seguintes semanas? Seguimos facendo a nosa peza de microteatro e estamos a barallar diferentes actividades, mais aínda non estamos seguros de que vaian acontecer xa que nos atopamos falando con diferentes persoas. Non obstante todas as nosas actividades estarán colgadas no noso perfil de Facebook.
NOS_26502
O número de vítimas mortais ligadas á pandemia da Covid-19 na Galiza ascendeu este 5 de agosto a 2.483.
A Consellaría de Sanidade informou esta quinta feira, 5 de agosto, de dúas novas mortes con Covid-19 na Galiza, co que o número de falecementos a causa da pandemia elévase xa a 2.483.Un dos novos falecementos produciuse onte, 4 de gaosto. Trátase dun home de 93 anos, e produciuse no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. A outra morte, a dunha muller de 90 anos, rexistrouse na xornada deste 5 de agosto, en concreto no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. En ambos os casos, presentaban patoloxías previas. Os contaxios, por riba do milleiro Por segunda xornada consecutiva, este 5 de agosto os contaxios de Covid-19 mantéñense por riba do milleiro na Galiza, despois de iniciar a semana por baixo desa marca. Esta recuperación motivou un lixeiro aumento das infeccións activas, que se sitúan en 18.643. Sanidade suma 1.110 casos novos, dos cales, por áreas sanitarias, a da Coruña suma 313; Vigo, 222; Pontevedra, 143; Lugo, 125; Santiago, 124; Ferrol, 95, e Ourense 88. Os últimos datos de Sanidade deste 5 de agosto sinalan ademais que as persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI soben a 52 -seis máis-, mentres que os doentes hospitalizados noutras unidades redúcense a 250 -sete menos-. Ademais, hai 18.341 pacientes en seguimento nos seus domicilios.
NOS_31904
A representación da CIG na compañía de automoción ZF Dalphimetal denuncia que a dirección non lle renovou o contrato a unha compañeira que participou no paro
A representación sindical da CIG en ZF Dalphimetal España, empresa do sector da automoción con sede en Vigo, denuncia que a dirección vén de discriminar unha traballadora por secundar o paro feminista do pasado 8 de marzo non renovándolle o contrato. " ZF Dalphimetal vén facendo contratos de traballo por acumulación de tarefas", explican, "chegando a ter unha porcentaxe de perto dun 50% de eventualidade dende o repunte do sector da automoción". O 16 de novembro do ano asado eran contratadas oito persoas, que ao cabo dos seis meses de contrato son todas renovadas agás tres delas: un traballador por estar en situación de ILT baixa, outro porque se negaba a facer horas extras "e o caso máis discriminatorio: unha traballadora eventual de fabricación por secundar a folga do 8M", denuncia a central nacionalista. "A empresa aproveitou que nese momento aínda non estaba constituído o comité de empresa que viña de saír do proceso de elección dos seus representantes, polo que os delegados da CIG optaron, en primeiro lugar, por denunciar verbalmente á empresa nunha reunión mantida con Recursos Humanos e solicitando documentación sobre contratación nesas datas; logo de revisar a documentación quedou en evidencia a discriminación da non continuidade destes tres traballadores, e en especial a discriminación da muller por secundar a folga". O sindicato afirma que a empresa argumenta o despedimento en causas de necesidade de fabricación, afirmando que os traballos que desenvolvía xa non eran necesarios. "Quedou en evidencia a mentira do departamento de Recursos Humanos, xa que segue a contratarse persoal para as mesmas tarefas que desenvolvía a traballadora", sosteñen. "Queremos manifestar a máis rotunda repulsa a esta actitude discriminatoria e en especial de xénero, polo que non desbotamos adoptar accións legais contra estas actitudes empresariais que vulneran dereitos fundamentais como é o de folga".
NOS_19649
As migracións definen a historia de Galiza. Pobo móbil, en tránsito, a cada paso da súa existencia colectiva amplos continxentes dos seus habitantes marchan á procura dunha vida mellor. A Gran Recesión de 2008 volveuno provocar. Do 20 ao 22 de xullo, un encontro en Compostela pensa sobre a "nova diáspora galega".
"É unha das vagas recorrentes na historia, que en Galiza ten carácter cíclico", indica Pepe Sendón, actor, dramaturgo e coordinador do Observatorio da Nova Diáspora Galega, "no século XXI intensifícase, maniféstase con máis dureza, a partir da crise. Aínda que nunca parou". As cifras oficiais que manexa a Xunta falan de 500.000 galegas e galegos vivindo fóra. Outras fontes consideran que eses son apenas os migrantes burocraticamente computados. Para Sendón, en calquera caso, conforman "unha cidade galega exterior e descentralizada". Mais as migrantes do neoliberalismo teñen características singulares. Para comezar a degrañalas, o observatorio -unha plataforma cidadá, en palabras de Sendón- convocou en Compostela o programa Onda, sobre "ideas e arte da emigración galega actual". "Queremos darlle voz en primeira persoa", sinala, "percibir as diferentes experiencias que definen a diáspora". Ate agora, ao seu ver, existen "moitos discursos sobre a emigración, pero que, dalgunha maneira, desprezan as protagonistas e os seus relatos". Na primeira das xornadas Onda, os faladoiros e debates acollerán representantes de Embaixada.gal -unha reformulación do asociacionismo migratorio galego-, a ensaísta María Alonso -autora de Transmigrantes (Axóuxere, 2017)-, o historiador Xosé Manuel Núñez Seixas, o novelista Xavier Queipo, a profesora Helena Miguélez-Carballeira ou Alejandra Plaza, natural de Cacabans e que escribiu Si fuese fácil lo haría otro. La emigración en la Europa del siglo XXI (Círculo Rojo, 2018). Emigración no mundo low cost "A emigración clásica era case unha despedida. Se se chegaba a transmitir algunha experiencia era no caso de que houbese retorno", explica Sendón o seu obxecto de estudo e preocupación, "agora, as novas migrantes galegas non chegan a desconectar de todo. Ben sexa por skype ou facebook, ou por esa cultura low cost en que é máis barato voar no espazo Schengen que o taxi que te leva do Carballiño ao aeroporto". Emigrar no mundo da globalización e facelo desde un país periférico, pero periférico da Europa fortaleza, ten os seus vieiros particulares. Que se refiren, tamén, ao que considera "unha nova tipoloxía" de persoas que abandonan Galiza: "Xente na academia, que xa non pensa en regresar pero que producen información e coñecemento sobre Galiza desde o exterior". E que constrúen, por caso, os Galician Studies en universidades de todo o mundo. "En todo caso, os tópicos morriñentos sobre a emigración van desaparecendo. A casuística é moito máis complexa. Hai opcións de vida que pasan por marchar fóra e hai consecuencias derivadas do mercado neoliberal que esixe a mobilidade do traballador". O programa Onda -que acollé o centro cívico de Romaño-Vista Alegre de Compostela- intentará "dar visibilidade" a estes novos modos de migración. Ademais dos debates mencionados, a sexta feira, ás 22.00 horas, proxectaranse as curtametraxes Galicia Portobello Road, de Adriana Páramo, Matria, de Álvaro Gago, Pettring, de Eloy Domínguez Serén, e Europa de Hugo Amoedo. Os cineastas asistirián ao coloquio posterior. Ao día segunite, entre foliadas e performances, tamén se amosará a literatura que orixina a división europea do traballo. O libro Onda Poética (Edicións Positivas, 2018) rastréaa e xunta materiais de Óliver Escobar, Ramón Neto, Martín Veiga, o propio Queipo, Xelís de Toro, Isaac Xubín, Carlos Penela, Elías Portela, Alicia Fernández, Gonzalo Hermo ou Lorena Souto. O encontro rematará o domingo cunha asemblea e o concerto de Xosé Gael -residente en Escocia- e Ialma -grupo de raíz con base en Bélxica.
PRAZA_20407
O encontro celebrarase o vindeiro 15 de xullo en Compostela e alí tamén se debaterán documentos sobre o modelo de financiamento autonómico e a necesidade de infraestruturas para o futuro do país e outro titulado "En Marea como alternativa política das maiorías sociais de Galicia".
O Consello das Mareas de En Marea reuniuse este sábado en Santiago de Compostela para ultimar a organización do plenario da organización, que terá lugar o vindeiro día 15 de xullo, tamén na capital galega. A organización deste plenario foi presentada polas voceiras da coordinadora, Ana Seijas, Victoria Esteban e Luís Villares. O plenario tratará a aprobación dos distintos regulamentos de funcionamento: o regulamento do funcionamento dos plenarios, o regulamento do Consello das Mareas e tamén o regulamento da coordinadora. Tamén se aprobará a carta financeira e o documento para regular a extensión territorial de En Marea. O plenario tratará a aprobación dos distintos regulamentos de funcionamento: o regulamento do funcionamento dos plenarios, o regulamento do Consello das Mareas e tamén o regulamento da coordinadora Ademais, o plenario debaterá tres documentos de tipo político. O principal é o que leva por título "En Marea como alternativa política das maiorías sociais de Galicia". Ademais, serán presentados e debatidos dous documentos temáticos: "As propostas para o modelo de financiación autonómico" e outro texto que repasará as necesidades de Galicia desde a perspectiva das infraestruturas: "Infraestruturas para un país". No plenario tamén nacerá o proceso doutro debate que terá como fin un documento a presentar no plenario do vindeiro decembro. Este traballo, que seguirá o proceso realizado tanto para a financiación autonómica como para as infraestruturas, abordará o devalo demográfico de Galicia. Ata o 10 de xullo está aberto o prazo para inscripción de quen queira participar no plenario O Consello das Mareas aprobou igualmente o calendario de prazos para a inscrición e presentación e aprobación de documentos. Os documentos aprobados pola coordinadora serán remitidos aos inscritos e inscritas a partir deste sábado para a presentación de emendas antes do seu debate no plenario. Este é o calendario acordado: -Ata o 10 de xullo está aberto o prazo para inscripción de quen queira participar no plenario. -Ata o 10 de xullo está aberto o prazo de presentación de emendas dos documentos remitidos aos inscritas. -11 de xullo: cualificación das emendas pola comisión relatora -13 de xullo: envío aos inscritass das emendas cualificadas -15 de xullo: plenario
NOS_30159
Entrevistamos o historiador Ángel Viñas (Madrid, 1941), cuxo último traballo ("La otra cara del caudillo", Ed. Crítica) desmonta, a través dunha análise rigorosa dos datos, a imaxe austera de Francisco Franco. Viñas indaga na orixe do patrimonio que o ditador ferrolán fixo durante a guerra (34 millóns de pesetas de 1940) e relata algúns dos fitos que lle permitiron saír dela literalmente multimillonario
O último traballo do historiador Ángel Viñas (Madrid, 1941) non está a ter toda a repercusión que merece un libro (La otra cara del caudillo, Ed. Crítica) que desmonta, a través dunha análise rigorosa dos datos, a imaxe austera de Francisco Franco. Nel, Viñas indaga na orixe do patrimonio que o ditador ferrolán fixo durante a guerra (34 millóns de pesetas de 1940) e relata algúns dos fitos que lle permitiron saír dela literalmente multimillonario. Un destes episodios de corrupción ten a ver coa doazón de 600 toneladas de café que o seu homólogo brasileiro, Getúlio Vargas, fixo ao Estado español en 1938. Baixo a dirección de Francisco Franco Salgado-Araújo, curmán e responsábel da Secretaría de Estado de Franco, o cargamento entregouse á Comisaría de Abastecementos e Transportes para que o distribuíse polos gobernos civís, que se encargaron de vendelo ao prezo público marcado pola administración (12,48 pesetas o quilo). Viñas descubriu no arquivo do Palacio Real que a recaudación total ascendeu a 7,5 millones de pesetas, exactamente, di, o importe que figura na relación de contas de Franco ao remate do conflito bélico. A corrupción foi sistemática. Non podía selo doutro xeito nunha economía hiperintervida na que se precisaban permisos administrativos para todo, cunha fundamental escaseza de materias primas e alimentos como non se rexistrara antes na Historia de España - Cal é a "outra cara do caudillo" e por que cre que ten prevalecido durante tanto tempo a imaxe de austeridade da súa figura? - Neste libro sinalo a outra cara en tres das súas manifestacións. A primeira, como proxector, isto é, vilipendiando achacando aos outros (os "roxos", os republicanos) o tipo de comportamento propio. En segundo lugar, a súa querencia pro-nazi, deslumbrado por Hitler e utilizando un resorte propio do mesmo como foi o autoconsiderarse fonte do Dereito. O terceiro, a noción de que foi un home esencialmente austero, algo rotundamente falso. O por que prevaleceu o contrario débese a tres factores. Un, que non sentía a necesidade de abordar a cuestión porque, á fin e ao cabo, Franco tiña unha finca que se chamaba España. Dous, polo nimbo de virtudes que os seus partidarios lle atribuíron, antes e, se me apura, aínda hoxe. E, tres, porque non se atoparan os papeis que demostraron o contrario. - No libro fala de casos concretos, como o café do Brasil. Como perxeñou o ditador esta operación? - De man mestra. Aproveitou un regalo que lle fixo aos españois o ditador brasileiro Getúlio Vargas e traspasou 600 toneladas de café en gran á Comisaría de Abastecementos e Transportes (organismo dependente do Ministerio de Industria e Comercio), co rogo, iso si, de que o contravalor a prezo de taxa se pagara por adiantado. Calou que dito contravalor o ingresaría nas súas contas particulares. Na medida en que a vontade de Franco era fonte de Dereito (ou o que pasaba por tal cousa), Franco non podía facer nada ilegal - A corrupción da que se beneficiou persoalmente o Xefe do Estado foi puntual ou sistemática ao longo dos 39 anos ditadura? - A corrupción foi sistemática. Non podía selo doutro xeito nunha economía hiperintervida na que se precisaban permisos administrativos para todo, cunha fundamental escaseza de materias primas e alimentos como non se rexistrara antes na Historia de España. O consumo de víveres estaba superracionado e non existían prensa libre, tribunais libres, oposición libre, a vontade de Franco era lei sen contrapeso ningún e a represión era multiforme e por calquera motivo, real ou inventado, aplicábase sen discriminación. Existen multitude de testemuños estranxeiros que a revelan. - Por que cre que existe tanta connivencia por unha parte dos historiadores coa figura de Franco? - Ben, iso depende de que tipo de historiadores. Por regra xeral, desde a esquerda se lle ten acusado de todo. Desde a dereita tense feito todo o posíbel por defendelo e reducir as súas trasnadas. Eu limítome a analizar o seu comportamento na medida en que pode inferirse da documentación interna da ditadora. Agás Paul Preston, non o fixeron moitos outros historiadores. A democracia ten sido supertolerante. Non podía ser menos. Franco morreu na cama. Non foi desposuído do poder - Existe algún estudo sobre o patrimonio que fixo o ditador ao longo de todo este periodo? - Si, mais de carácter xornalístico. O problema, coma sempre, son as fontes. Moitas teranse perdido ou destruido. Se no arquivo do Palacio Real se atopa unha parte da documentación da casa civil é por pura chamba. - Como cre que debería terse xestionado a restitución ou devolución dese patrimonio após a morte do ditador? Foi tolerante a democracia coa súa familia? - Esas son preguntas metahistóricas. Na medida en que a vontade de Franco era fonte de Dereito (ou o que pasaba por tal cousa), Franco non podía facer nada ilegal, así que a restitución ou devolución non se formulou xamais. Non existía, nin existe, base legal que poida aplicarse retroactivamente. E si, a democracia ten sido supertolerante. Non podía ser menos. Franco morreu na cama. Non foi desposuído do poder a raíz de ningunha derrota militar ou revolución. - É a española unha situación atípica a respecto do resto dos caudillos e ditadores europeos e americanos da época en relación coa lexitimidade da orixe do seu patrimonio? - Na medida en que poido respostar esa cuestión, que é peliaguda, eu diría que é relativamente típica. Téñoa comparado no meu libro co caso de Hitler, que está ben estudado. Neste, unha parte foi á familia, outra ao Estado bávaro e outra parte foi destruída, xa que consistía en inmóbeis. As obras de arte, en xeral de segunda categoría, caeron no pote común no que se meteron as que foron obxecto de rapina polos xerifaltes nazis. Mais a situación de Franco, morto en cama tras case corenta anos de poder máis ou menos absoluto, é moi diferente. Neste número do semanario Sermos Galiza,o 194, levamos unha ampla reportaxe sobre o patrimonio da familia Franco na Galiza. Podes obtelo aquí.
NOS_43290
Tres voces galegas e tres catalás. O ciclo "Voces paralelas" convida nesta edición de 2014 á poesía galega a partillar unha xira por Cataluña, Valencia e Mallorc. Chus Pato, Gonzalo Hermo e Estíbaliz Espinosa recitarán canda Sebastià Perelló, Susanna Lliberós, e Adrià Targa no ciclo poético anual da Institució de les Lletres Catalanes.
Chus Pato, Gonzalo Hermo e Estíbaliz Espinosa serán as voces galegas que partillarán coas catalás de Sebastià Perelló, Susanna Lliberós, e Adrià Targa o ciclo "Voces paralelas" que levará o encontro poético galego-catalán a diversas localidades de Cataluña, Valencia e Mallorca. "De Fisterra ao Cap de Creus", é o lema que acompaña á xira literaria Desta volta, o ciclo reúne a tres poetas cataláns de xeracións diferentes con tres voces convidadas desde Galiza. Será a actriz Mireia Chalamanch a que guiará o espectáculo e recitará en catalán a obra galega nas distintas citas que se desenvolverán en Cataluña, Valencia e Mallorca desde o 29 de xuño ao 6 de xullo. Espazos singulares acollerán o espectáculo poético que ten Galiza desta volta como país convidado. O claustro de Sant Francesc de Vilafranca del Penedés, o claustro Sant Pau do Centre Tarraconense, o Centro de Cultura Contemporánea de Valencia, o Convento, espazo de arte de Vila-real, a Llibreria Quars de Palma ou El Born Centre Cultural de Barcelona son algúns escenarios nos que terá lugar o encontro "Voces paralelas", "Veus Paral·leles" na súa 12 edición. O elo coa poesía catalá O esquema de "Voces paralelas", o espectáculo anual de poesía da Institució de les Lletres Catalanes dirixido por Albert Mestres, repítese máis unha vez convidando a seis poetas, tres de lingua catalá e tres doutra lingua recitan a súa obra nunha xira arredor de distintas cidades dos países catalás. Unha actriz fai a ligazón da poesía dos seis autores e autoras e tamén recita en catalán a poesía da lingua convidada. O proxecto ten como obxectivo "facer descubrir e poñer de relevo culturas, realidades lingüísticas e mundos poéticos varios ao público catalán e, ao tempo, poñer en contacto coa realidade da poesía catalá".
PRAZA_17309
En Marea, PSdeG e BNG tentan sen éxito que o presidente da Cámara galega lles entregue o informe que, di, o avala para prohibir que nos plenos se pronuncie esa referencia á sentenza do caso Gürtel e a apercibir formalmente os deputados que o fagan A sentenza de Gürtel describe fraude no PP dende a súa fundación HEMEROTECA | Palabras perdidas no Pazo do Hórreo
A sentenza de Gürtel describe fraude no PP dende a súa fundación HEMEROTECA | Palabras perdidas no Pazo do Hórreo O PP galego coñecía dende hai máis dunha semana que os tres grupos da oposición ían cuestionar o presidente da Xunta a respecto da sentenza da trama Gürtel durante a sesión de control deste mércores. Despois de que os conservadores se negasen a que Alberto Núñez Feijóo abordase o asunto nunha comparecencia específica ao respecto, En Marea, PSdeG e BNG utilizaron esta vía para formular unhas preguntas que a Presidencia da Cámara tamén preparou ao seu xeito. Solicitando un informe dos letrados parlamentarios que, segundo o presidente, Miguel Santalices, o avala para prohibir que deputados e deputadas afirmen nas sesións que o Partido Popular foi "condenado por corrupción". "Eu sabía" que esas acusacións se ían producir, admitiu Santalices no pleno. Evidenciouno despois de instar a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, a retirar esa referencia á "condena por corrupción" da Audiencia Nacional ao PP -o ditame sitúa o partido como beneficiaro da trama corrupta a título lucrativo-. A petición de Santalices, como noutras ocasións, susténtase no artigo do Regulamento parlamentario que faculta a Presidencia para formulala e, se o deputado ou deputada se nega, apercibilo formalmente e proceder á eliminación de "conceptos ofensivos ao decoro da Cámara ou dos seus membros, das institucións do Estado e de Galicia ou de calquera outra persoa ou entidade". Esa negativa equivale unha chamada formal á orde e tres destes apercibimentos, á expulsión do pleno. O informe esgrimido por Santalices causou estupor na bancada esquerda do hemiciclo. Foi, dixo, unha "petición persoal" aos letrados da Cámara "para o manexo do debate e o control da sesión; eu fágolle caso aos letrados" mentres "noutros parlamentos cesan os letrados", tentou zanxar dende a presidencia. "Es tu trabajo, sólo faltaría", agregou polo baixo o vicepresidente Diego Calvo, visiblemente contrariado polas protestas da oposición, que forzou a convocatoria dunha Xunta de Portavoces para esixir explicacións e, sobre todo, tentar obter o informe da "mordaza", que o socialista Fernández Leiceaga pediu sen éxito no propio pleno. O presidente do Parlamento esgrimiu un informe dos letrados para vetar que a oposición afirme que o Partido Popular foi "condenado por corrupción" na sentenza da Gürtel A Xunta de Portavoces celebrouse, pero os grupos quedaron sen o informe. "É anómalo en termos democráticos", unha "vergoña e un bochorno", lamentou o voceiro de En Marea. O xefe do lexislativo, di Luís Villares, actáu dun xeito "parecido" ao de "Estados onde se ocultaban as normas para poder perseguir á xente" se "sequera saber" que é exactamente o que está prohibido. O presidente, ao cabo, simplemente tenta "amordazar" a oposición non só evitando expresións contra o "decoro", senón tamén para "saír en defensa do seu amigo Baltar", toda vez que el mesmo foi apercibido durante a propia sesión de control por lembrar a acusación de ofrecer emprego a cambio de sexo da que foi obxecto o titular da Deputación de Ourense, un caso que a xustiza arquivou. "Se se trata de utilizar un informe dos servizos da Cámara para saber ata onde podemos chegar no debate sen ser chamados á orde, o mínimo é coñecelo", concorda Leiceaga, quen ve o PP disposto a manter a "lei do funil" nos debates, "moi ancha para algúns, estreita para outros". Non en van, resalta, os grupos da esquerda están sometidos a "límites moitos máis estritos" que os populares en xeral e o presidente da Xunta en particular, "quen non ten rubor nin empacho ao verter conceptos moitos máis duros que os portavoces da oposición" sen que "pase nada". A retirada de expresións supostamente contrarias ao "decoro" no é só simbólica, senón que esas palabras tamén desaparecen do Diario de Sesións, concibido para recoller os termos literais dos debates Para Ana Pontón este novo episodio de "mordaza" ao debate político no Parlamento é "surrealista", un exercicio de "insólita censura" sustentado, aínda por riba, nun informe que os grupos da oposición non poden coñecer, destaca. "O PP pretende prohibir no Parlamento galego o que se publicou nas portadas dos xornais e está nunha sentenza", polo que "non imos aceptar mordazas", asegura a nacionalista. Estas palabras retiradas baixo o criterio da Presidencia non só é simbólica ou de cortesía. Implica que as palabras suprimidas non figurarán no Diario de Sesións do Parlamento, o documento oficial creado para rexistrar todo canto se di nos plenos. Daquela, quen no futuro pretenda recuperar os debates parlamentarios da actualidade non atopará esas expresións que a Presidencia de quenda considera contrarias ao "decoro", polo que para coñecer exactamente o contido íntegro de todos os debates cumprirá recorrer ás gravacións das sesións.
NOS_29261
O sindicato, que agarda por infomación sobre o concurso, exixe que se manteñan os servizos e os postos de traballo
O concurso das ambulancias convencionais, os vehículos que prestan servizo en cuestións como as diálises, as altas ou os traslados hospitalarios, finalizou o pasado 15 de agosto sen que, a día de hoxe, os representantes sindicais saiban "cales van ser as condicións nas que se vai prestar de aquí en diante" este servizo, a pesar de que "fai máis dun ano" a Consellería de Sanidade comprometeuse a informar as organizacións sindicais de cales ían ser as condicións nas que ía saír ese novo prego. Neste senso, a CIG denuncia a "desidia" e o "escurantismo" por parte da Consellería de Sanidade, ao tempo que esixiu que se manteñan todos os servizos e os postos de traballo. O representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, explico que, por mor de diversas informacións nas que se alertaba dunha posible diminución de servizos, os traballadores convocaron unha folga que se ía a iniciar nos días previos ás pasadas eleccións do 12 de xullo, unha protesta que, como lembrou, foi suspendida despois de que o xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa, os recibise para "dar garantías de que non se ía a recortar". Segundo Pavón, no encontro, tamén obtiveron o compromiso de que, após as eleccións, volverían chamalos para unha reunión na que lles explicarían "cales eran as condicións" e na que os sindicatos poderían "facer propostas" para que se tivesen en conta á hora de elaborar os pregos do concurso. "Nada disto produciuse", denuncian, como tampouco atenderon ás dúas solicitudes de reunión que formularon nin aos seus requirimentos por vía telefónica. Ademais, Pavón asegurou que, segundo a información que teñen as empresas, "o concurso vaise a prorrogar seis meses sen ningún tipo de subida económica", unha decisión que, segundo advirte, provoca unha "situación moi grave" para o mantemento da calidade do servizo. "Nós o que estamos a pedir é que se manteñan todos os servizos que se están presentando e que, por tanto, non haxa diminución nos postos de traballo e que se realicen melloras na calidade asistencial". En caso de non ver atendidas as súas demandas, o representante sindical anuncia a celebración de asembleas para convocar un proceso de mobilizacións e mesmo non desbotan "unha folga".
NOS_13424
Pier Paolo Pasolini (Boloña, 1922-Roma, 1975) non foi unicamente un cineasta. Impresionante poeta, narrador de primeira orde, intelectual combativo de militancia marxista, a súa figura marcou o pasado século en Italia. Mais as películas foron, talvez, as súas intervencións de maior repercusión no espazo público. A sala Numax, en Compostela, recupera seis pezas fundamentais da súa filmografía.
O ciclo, que comezará a vindeira terza feira, 17 de setembro, está formado por obras significativas das diversas etapas do seu cinema. Acattone (1961) será a primeira. Longametraxe debut do autor, válese dunha especie de neorrealismo serodio para amosar, con empatía e compromiso, a vida das periferias urbanas na longa posguerra italiana. O evanxeo segundo Mateo (1964) proxectarase o 17 de setembro. Este filme reconstrúe a cida de Xesucristo. Poético e belísimo, no seu día discutido polos sectores máis reaccionarios da Igrexa, foi tamén un intento de estabelecer diálogo co cristianismo -acababa de morrer o Papa Xoán XXIII, símbolo de certo aperturismo católico- desde as posicións comunistas de Pasolini. A seguir, o 15 de outubro, será a quenda de Paxariños e paxarolos (1966), cómico e mesmo surrealista axuste de contas marxista. Teorema (1968) é talvez a fita máis representativa do período lingüisticamente máis experimental do cineasta. É unha feroz crítica da burguesía no tempo en que o propio Pasolini, tamén ensaísta agudo e valente, detectou unha "mudanza antropolóxica" do pobo italiano. A proxección será o 29 de outubro. Os dous últimos pases do ciclo Foco Pier Paolo Pasolini corresponden a dous títulos da chamada Triloxía da Vida, O decamerón (1971) e Os contos de Canterbury (1972), que estarán na pantalla de Numax o 5 de novembro e o 3 de decembro respectivamente. Nota: fotograma de Paxariños e paxarolos (1966).
NOS_11176
A grande sorpresa da velada foi coñecer a autoría compartida do Premio Xerais. Pai e Filla, de Dodro, case descoñecidos no mundo das letras mais de apelidos moi literarios. Manuel Lorenzo Baleirón e María Lorenzo Miguens. Irmán e sobriña de Eusebio Lorenzo Baleirón. O Premio Merlín foi para Marcos Calveiro.
O irmán e a sobriña de Eusebio Lorenzo Baleirón, un dos nomes de referencia da literatura galega do século XX, sorprenderon ao seren merecedores por unanimidade do xurado do Premio Xerais de Novela. Profesor o pai e licenciada en Comunicación Audiovisual e estudante a filla, ambos presentaron conxuntamente a novela Tonas de laranxa, de ar cunqueirián, coa que ambos se fixeron merecentes do recoñecido galardón. Tanto María como Manuel teñen tido xa incursións na literatura, cunha investigación sobre a toponimia de Dodro el ou con relatos ela mais a escrita desta novela conxunta demostra un dominio das técnicas literarias e da linguaxe que o xurado puxo en valor. Os seus nomes danlle máis forza literaria á familia e mesmo ao rosalián concello de Dodro, onde cada ano se entrega o premio literario co nome de Eusebio Lorenzo Baleirón e de onde é natural tamén Anxo Angueira, escritor e novo presidente da Fundación Rosalía de Castro. A literatura e o estudo da lingua apegados ás terras de Iria caracteriza o traballo dos dous autores. Na novela de Manuel e María Lorenzo, Tonas de laranxa, o xurado destacou que a elección foi clara ao ficaren "engaiolados polo sensitivo perfume da laranxa desta obra en que o lírico, o onírico e o simbólico se conxugan de xeito maxistral para dar lugar a unha novela fermosa". No texto en que argumentan a escolla, anotan que "a través de Uxío Oliveira, da súa cativadora avoa Aurora dos Santos, do inmigrante Amir Alfarat e da súa filla Oriana, do misteriosamente desaparecido Amaro e da curiosa peixeira Sofía Costa, como de tantos outros personaxes, o autor ou autora constrúen unha fabulación extraordinaria, que debulla maxicamente os pequenos feitos que suceden na vila de Moreira, antes chamada O Laranxal". "Todas as obras son anónimas. Todas son colectivas", afirmou Manuel Lorenzo María Lorenzo Miguens (Tarrío, Dodro, 1986), unha das máis novas gañadoras do Xerais na súa historia, destacou que "a intención de ambos os dous autores, filla e pai, foi botar da man de Cunqueiro estas tonas de laranxas ao mar, xa que non se vive sen soños, para regresar ás illas das Cotovía". Pola súa banda, Manuel Lorenzo Baleirón (Tarrío, Dodro, 1957) fixo mención á lingua da súa terra, que el ten estudado, ao dicir que "todas as obras son anónimas. Todas son colectivas. Para ir tecendo estas historias de ensoños, reloxos e laranxas fomos collendo palabras de aquí e de acolá, xuncas das Brañas de Laíño. Nunha lingua antiga. Irrenunciábel". Unha aventura iniciática Menos sorpresa supuxo escoitar o nome do gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil. Marcos Calveiro facíase co recoñecemento por Palabras de auga, en que narra a aventura iniciática de Amadou, un rapaz suahili que pertence a un clan de nómades. O xurado fixo fincapé neste caso na solidez da obra, construída a través de flashbacks que artellan a historia. Acrecentou o xurado que "os pulmóns de África respiran nas follas deste libro coa forza de todo o continente. A inclemencia do sol, a busca desesperada da auga, a sorte do alimento… E as mulleres, pedra angular das tribus africanas, e que nesta obra representan o sólido capaz sobre o cal descansa toda responsabilidade da supervivencia". "Estou realmente emocionado. O premio Merlín é o premio de referencia da Literatura Infantil e Xuvenil galega" "Cunha narración liviá entre a que se van entrelazando o galego e o suahili, o autor fai un impecábel retrato do ser humano e do seu comportamento sometido a condicións extremas. O libro reborda lirismo e calidade literaria. É desas obras que emocionan, que conmoven, que cautivan" escribiron arredor da obra eses primeiros lectores que foron os membros do xurado. Calveiro (Vlagarcía, 1968) un autor sólido na literatura contemporánea e xa abondosamente premiado sinalou que "estaba realmente emocionado, o premio Merlín é o premio de referencia da Literatura Infantil e Xuvenil galega. Ver o meu nome aí canda os de Agustín Fernández Paz, Marilar Aleixandre, An Alfaya e tanto outros éncheme de orgullo". Marilar Aleixandre, mantedora literaria A escritora Marilar Aleixandre, como mantedora literaria desta velada co discurso 'O círculo de luz: escrita, conflito e lume', referiuse ao papel da lectura e dos libros que iluminan, aqueles que "foron escritos con lume e gardan ascuas entre as súas páxinas", aqueles que "traban en nós, como di Kafka, os que cravan o seu ferrete". Aleixandre defendeu a lectura de "libros que sexan literatura, que teñan lume dentro", sendo xeralmente aquelas obras que "teñen no seu cerne un conflito dentro". A autora salientou que "o conflito, a desventura, o infortunio son os vimbios cos que se tecen, non só as novelas chamadas de adultos, senón tamén as xuvenís". "Creo que Rosalía concordaría en que escribir é chamar ás cousas polo seu nome e, en moitas ocasións, levar a contraria", engadiu. Medios en galego Pechou o acto Manuel Bragado, director da editorial, quen, no seu discurso, destacou a aparición, ao longo dos últimos doce meses, de novos medios de comunicación que enriquecen o ecosistema da lectura en galego. Rematou as súas palabras reclamando nestes tempos de austeridade a maior atención para o mundo do libro e da cultura. A entrega dos premios da editorial Xerais tivo lugar, máis unha vez, na Illa de San Simón, cun concorrido acto literario en que se entregaron o Premio Xerais de Novela dotado con 15.000 euros e o Premio Merlín, de 10.000.
PRAZA_19465
ENTREVISTA | Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores, debulla a Estratexia de Acción Exterior da Xunta na serie de entrevistas de Praza.gal e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi)
Logo da nova lexislación imposta en 2014 polo Goberno central á acción exterior do resto de administracións, a Xunta aprobou a finais de 2015 un decreto co que regulou esa área competencial e determinou a elaboración da primeira Estratexia Galega de Acción Exterior (Egaex), documento que pretende superar anteriores reflexións globais ou estratexias parciais. O Goberno galego someteu a finais de 2016 a exposición pública o borrador desa estratexia, de 180 páxinas, que espera aprobar ao longo de 2017. Praza.gal e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) entrevistan sobre a proxección internacional que queren para Galicia a responsables na materia dos grupos da oposición e o director xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Jesús Gamallo, que pecha esta serie. Cales son as principais novidades da Egaex a respecto de anteriores reflexións globais ou estratexias parciais? Moitas, tanto no contexto xurídico como no político internacional. No xurídico, en 2014 aprobáronse as leis estatais de servizo exterior do Estado e de tratados internacionais. Xunto a isto, o Goberno presentou por primeira vez na historia unha estratexia española de relacións exteriores. En Galicia fixemos o Plano de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión; a Estratexia de Especialización Intelixente para a Innovación, a chamada RIS3, e a primeira transfronteiriza, a RIS3T; está o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020. Canto ao contexto político, estamos a traballar xa na política de cohesión europea post-2020, para que teña en conta o factor demográfico. Están os efectos do Brexit. As presións migratorias, tanto o que ten que ver cos refuxiados como cos migrantes económicos. En Portugal, a crise e a postcrise. Mudou moito o contexto. Xulgo que é importante avanzar máis en detalle do que se tiña feito ata o de agora. "A Egaex fixémola nós, non a externalizamos; poderiamos tela aprobada na anterior lexislatura, pero a nosa disposición a que participase máis xente e acadar un consenso fíxonos esperar" E do que se tiña feito ata o de agora, avaliouse o cumprimento desas estratexias ou reflexións anteriores? Avalíase precisamente ao facer esta estratexia, cunha análise DAFO [debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades]. Hai que ter en conta que esta Egaex fixémola nós, non a externalizamos, como documentos anteriores de 2004 ou 2007, así que avaliamos o feito ata agora. A Xunta impúxose a si mesma elaborar a Egaex hai máis dun ano, pero aínda se está a debater o borrador, un texto que fala dun "horizonte post-2020". Está a ser lenta a elaboración? Cal é o seu horizonte de aplicación? A Egaex redactouse nun tempo relativamente breve polos nosos servizos. É verdade que as achegas das diferentes consellerías dilataron un pouco o proceso. Non todo o mundo responde inmediatamente. Logo, eu quería que fose participativa, así que a expuxemos ao público o dobre do tempo, e fixemos dobre ronda cos grupos políticos. E apareceu o Brexit e tivemos que telo en conta. Todo iso obrigounos revisar cada certo tempo o texto. Tamén se adiantaron as eleccións autonómicas, e iso condicionou. Poderiamos ter a estratexia aprobada na anterior lexislatura, pero a nosa disposición a que participase máis xente e acadar un consenso fíxonos esperar. Por que a Xunta optou por redactar un borrador da Estratexia de Acción Exterior e sometelo logo a consultas e non por recoller previamente propostas antes de elaborar o texto? Que papel xogará nesas consultas o Consello de Acción Exterior [CAEX, órgano consultivo da Xunta no que participan institucións públicas, privadas e civís]? O CAEX vai opinar, como é lóxico. Pero o goberno ten a competencia e a iniciativa. Sempre é máis difícil dicir "este texto é a miña proposta" que pedir á xente que mande propostas e eu corto e pego. Fixémolo por un exercicio de responsabilidade. Trabállase mellor cun texto sobre a mesa que cun folio en branco. Poñéndonos no caso de que todo o mundo fixera o seu traballo e enviase a súa propia estratexia, obrigaríanos a pór a nosa enriba da mesa e casar todas para facer a Egaex. Sería un caos. Co noso borrador, o traballo é máis rápido. "Os problemas dos refuxiados e da participación política da diáspora terán un mellor tratamento que o que recolle o borrador actual da Egaex" Falaba antes, como novidade na realidade política internacional, do problema dos refuxiados, pero a Egaex só fai unha referencia vaga a ese asunto. Porque tanto a regulación europea como as capacidades dos estados membros están aínda moi verdes. Isto non quere dicir que non se poida ampliar. Cando fixemos a redacción [do borrador], a axenda europea das migracións estaba empezando. Agora podemos incorporar máis cousas. Nós queremos que se cumpra a posición inicial da UE, que se establezan cupos obrigatorios e permanentes para que non haxa picos de crise e que haxa unha lista de países seguros para diferenciar a migración de carácter económico. O tema dos refuxiados probablemente terá un tratamento máis amplo [na Egaex]. O texto vai mudando. Fíxose en maio e o Brexit metémolo ao final. A Egaex tampouco nada di da participación política da diáspora. Imos recollelo máis adiante. Na estratexia xa recollemos como un dos obxectivos fundamentais o tratamento dos galegos que viven fora, aproveitar as capacidades que temos de empresarios galegos en diferentes países para o incremento das exportacións ou do investimento directo en Galicia. A diáspora vai ter un tratamento axeitado. "Galicia non pode ser membro de pleno dereito da CPLP porque non é un estado soberano, pero o Consello da Cultura Galega xa é observador" A Egaex aposta por mellorar a relación con diversos países lusófonos, pero o borrador non fai referencia, máis que nun anexo, á Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) como tal, malia que o propio presidente Feijóo prometeu que traballaría para a incorporación de Galicia á organización. Por outra banda, a CPLP agrupa estados soberanos e as súas áreas de actuación van máis alá da lingüística. Como explica esta situación? A que aspira Galicia nese ámbito? As cousas mudaron tamén neste caso desde o primeiro borrador da Egaex. O Consello da Cultura Galega (CCG) é xa membro observador da CPLP. Díxonos que ía enviarnos un documento para analizar e incluír na Egaex. É evidente que Galicia non pode ser membro de pleno dereito porque non é un estado soberano, pero o CCG si se conseguiu que fose observador e nós seguiremos todo isto no marco amplo da Lei Paz Andrade de 2014 [de aproveitamento dos vínculos de Galicia coa lusofonía]. As leis estatais de acción exterior e de tratados internacionais suporán un freo ás aspiracións de Galicia nese ou noutros ámbitos? Non. No que ten que ver coa lei de acción institucional do Estado, as cousas mudan pouco. O obxectivo fundamental é favorecer a coordinación da acción das comunidades autónomas coa política exterior do Estado, que segundo a Constitución é competencia exclusiva do Estado. Que o Goberno saiba quen vai a que sitio e que os servizos diplomáticos españois poidan prestar asistencia. Pero a nós non nos muda a situación porque xa o viñamos facendo. Creo firmemente que facer pola conta propia a acción exterior é un erro porque non se conseguen os obxectivos que se desexan. Nós agora temos máis capacidade de actuación que Cataluña, temos máis instrumentos, porque os cataláns están impugnados. A acción exterior, como toda acción pública, ten que ser útil. A coordinación co Estado é fundamental. O que facemos primeiro co decreto [galego de acción exterior] e agora coa Egaex é sacarlle ás máximas posibilidades ao marco xurídico español que temos. Non limita en absoluto. Canto á lei de tratados internacionais, aí si que hai novidades importantes. Antes [unha comunidade] só podía instar a sinatura dun acordo por parte do Estado cando se trataba dunha cuestión lingüística ou cultural. Agora, calquera competencia ou interese dunha comunidade autónoma pode instar ao Estado a iniciar o proceso de celebración dun tratado internacional e incorporarse á negociación. E o Goberno debe informar ás comunidades afectadas. Isto desenvólvese na Egaex. E logo regula os acordos de tipo non normativo, unha capacidade que nos recoñece a lei e que antes andaban no mundo das políticas de feitos. O seu departamento, logo de ser Secretaría Xeral, foi rebaixado a Dirección Xeral e depende da Vicepresidencia, non da Presidencia da Xunta. Ten suficiente peso político para liderar esta estratexia transversal a toda a Xunta? Lidéraa a Vicepresidencia. O Goberno de Feijóo en 2009 entendeu que había que racionalizar administrativamente a Xunta e considerou oportuno unir os departamentos de cooperación e acción exterior. E o vicepresidente ten unhas capacidades de coordinación transversal, preside a comisión de secretarios xerais que prepara os Consellos da Xunta. Canto aos recursos, sempre son insuficientes.
NOS_15514
A petición, asinada polos sindicatos CIG, CUT e CGT, deixa na corda frouxa a legalidade dos 35 despedimentos que se produciron na Galiza, 12 deles no compostelán Hostal dos Reis Católicos
Cando faltaba media hora para saír "chamounos ao despacho e foinos botando, un a un, como a cans". Quen así fala é Carmela Novo, camareira de pisos no compostelán Hostal dos Reis Católicos desde hai 42 anos e medio e que o 30 de xaneiro asinou a súa liquidación, ao igual que outr@s once traballador@s. Foi a primeira consecuencia do ERE aplicado pola empresa Paradores cuxa impugnación, reclamada polos sindicatos CUT e CIG, vén de ser admitida a trámite na Audiencia Nacional española. Así as cousas, as dúas centrais responsabilizan directamente a CC OO e UGT da "burla de negociación" dirixida desde Madrid e de asinaren "sen lexitimidade" un expediente de regulación que deixou na rúa 35 traballador@s en toda a Galiza. Porén, nunha entrevista en Sermos Galiza co gallo da súa reelección á fronte da secretaría xeral de CC OO, Xosé Manuel Sánchez Aguión sinalou que achacarlle a este sindicato unha actuación en conivencia coa patronal "é unha barbaridade" e cualificou como "positiva" a negociación coa empresa Paradores por ter conseguido que "non pechan todos os que estaban previstos". Así mesmo, acrecentou que "os acordos poden valorarse" mais "o obxectivo é asinalos". Traballador@s coñeceron o ERE pola imprensa Aquel 30 de xaneiro "foi día de cartas", recordou Xesús González, camareiro do Hostal e sindicalista da CUT. A empresa comunicou uns despedimentos que o comité de empresa coñeceu pola imprensa "sen saber nin os motivos nin os criterios que se alegan", indicou Aitor Sebio, da CIG. "O noso convenio temos que o negociar nós, non nolo poden impoñer desde fóra", queixouse Xesús González, quen acrecentou que a outras 12 persoas podería serlles aplicada unha redución de xornada. "Traballarían 4 horas en xaneiro e febreiro, 6 horas en marzo, abril e maio, 8 horas no verán...", unha posibilidade que os dous sindicatos rexeitan taxativamente. "Sería mellor que traballasen nove meses e os outros tres fosen ao paro porque cando menos así as familias saberían a que se ateren". Discriminación en favor "das grandes centrais" CC OO e UGT CUT celebrou a admisión a trámite do escrito de impugnación que tamén subscribe CIG no caso dos Reis Católicos e CGT en relación a outros paradores da Galiza onde se produciron despedimentos. Para alén de se pronunciar o tribunal español sobre o ERE, consideran que "a impugnación xudicial poría de relevo que a lexislación laboral discrimina" en favor "das grandes centrais sindicais estatais", en referencia a CC OO e UGT, "suxeitos negociais moito máis amábeis ao ditado do capital" e "máis preocupadas en xustificar situacións económicas negativas das empresas" que nos dereitos da clase obreira. "A eles non lles importan as nosas condicións", dixo Carmela Novo en relación á patronal Paradores. Ela, que en abril fará os 60 anos, coida da súa nai e do seu compañeiro, enfermo de cancro. Conta que xa na primeira fin de semana após os despedimentos "contrataron por horas non sei canta divina xente" e recalcou que "aquí non sobraba ninguén. Este parador non ten perdas. Porén, o goberno aproba leis contra os obreiros e os empresarios aprovéitanse". Novo foi ao desemprego sen saber aínda se poderá xubilarse.
NOS_40351
Aliás, tamén cesou o xefe do servizo de seguridade nacional (SBU).
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, destituíu no día de onte o xefe do servizo de seguridade nacional (SBU), Ivan Bakanov, e a fiscal xeral da Ucraína, Irina Venediktova, despois de acusalos de traizón e colaboración con Rusia. Segundo detallou o presidente ucraíno, 60 empregados e empregadas de ambas institucións traballaron contra o país desde os territorios ocupados polo exército ruso. Aliás, as autoridades de Ucraína investigan máis de 650 casos de presunta traizón no funcionariado ucraíno. A Xustiza ucraína prohíbe as actividades do Partido dos Traballadores e eleva a 16 as formacións vetadas O xefe do SBU era amigo da infancia de Zelenski,e seguía a formar parte do círculo íntimo do dirixente até poucas semanas antes da súa destitución. En canto á fiscal xeral de Ucraína, dedicábase a perseguir posíbeis crimes de guerra dos soldados rusos en territorio ucraíno. Nomeadamente, os presuntos asasinatos ocorridos na cidade de Bucha, próxima a Kíiv, onde se atoparon varias fosas comúns e cadáveres nas rúas. Que sabemos do acontecido en Bucha? Nun discurso emitido na noite de onte, o dirixente ucraíno asegurou que as conexións entre os servizos de seguridade ucraínos e a intelixencia rusa "constituían un crime contra os cimentos da seguridade nacional". Detención do ex líder do SBU en Crimea 24 horas antes da destitución de Bakanov, as autoridades ucraínas detiveron o antigo xefe da SBU na zona de Crimea, Oleg Kulinich,que ocupou o seu cargo até marzo deste ano e seguía a colaborar coa axencia. Ucraína xulga a porta fechada o líder opositor Viktor Medvedchuk Segundo Zelenski, "reuníronse suficientes probas para denunciar esta persoa por sospeita de traizón. Todas as súas actividades delituosas están documentadas".
NOS_3138
Masas de aire frío e borrascas forman parte do verán de 2019, mais que hai de certo en que na Galiza sempre chove? Nada. Un informe do Observatorio da Sustentabilidade sobre a evolución das precipitacións desmonta o mito.
Os dados fornecidos pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) valéronlle ao Observatorio da Sustentabilidade para determinar que na Galiza cada vez chove menos. O informe sobre a evolución das precipitacións demostra que entre 1981 e 2018 Galiza experimentou unha forte diminución das chuvias, cunha taxa de variación de -1,54. A nivel estatal é onde máis caen as precipitacións, seguido das Canarias (-0,76). As comarcas do Baixo Miño, Caldas, O Condado, Deza, O Morrazo, Paradanta, Pontevedra, O Salnés, Tabeirós-Terra de Montes, Val da Louriña, Val Miño e Vigo son as que máis viron reducirse as precipitacións nos últimos 38 anos, un -2,11. En canto a localidades destacadas, chama a atención o caso de Vigo. Cos rexistros dos últimos 68 anos acumula unha pendente de -6,50 e lidera, tamén a nivel estatal, as cidades con tendencia negativa. O dado duplícase se tomamos os rexistros dos últimos 38 anos. Aí a pendente chega a -12,68. O Observatorio augura para 2050 un importante descenso da chuvia no noroeste peninsular e insiste en que se rexistrarán reducións "de forma moi grave" nas áreas da Galiza interior. As comarcas dos Ancares, Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Quiroga, Sarria, Terra de Lemos, Terra Cha, A Ulloa, Allariz, A Baixa Limia, A Limia, O Carballiño, Ourense, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Verín e Viana perderán, segundo as previsións deste órgano, máis de 500 litros por metro cadrado de precipitación anual. Isto significa que choverá menos da metade do que chove na actualidade. Recentemente, un informe internacional do Instituto de Recursos Mundiais incluía comarcas galegas no risco de nivel medio e alto de estrés hídrico, é dicir, con probabilidade de consumir máis auga da dispoñíbel e ir ao colapso.
PRAZA_18537
O Goberno de May ten por diante unha votación crucial no Parlamento que, de perdela, podería tombala e precipitar unhas eleccións. Polo momento, xa se rexistraron tres dimisións. O asunto que maís custou desbloquear no documento aprobado, de 585 páxinas, foi a fronteira entre a República de Irlanda e Irlanda do Norte DOCUMENTO | Bosquexo do acordo para o Brexit entre o Reino Unido e a UE
DOCUMENTO | Bosquexo do acordo para o Brexit entre o Reino Unido e a UE Bruxelas e Londres chegaron a un acordo de 585 páxinas, apoiado este mércores nunha intensa reunión do Gabinete británico e tras ano e medio de negociacións. Pero o Brexit aínda non está pechado do todo. Que pasa agora? Theresa May terá que afrontar duras intervencións na Cámara dos Comúns este xoves. Mentres tanto, Bruxelas afirmou que se fixeron "progresos decisivos" e este xoves decidiu a data do cumio de xefes de Goberno para sancionar o acordo, o domingo 25 de novembro. Despois disto, o Goberno someterase, seguramente en decembro, a unha votación crucial no Parlamento onde os deputados terán que decidir se apoian ou non o acordo. O Reino Unido prevé abandonar a UE o 29 de marzo, momento no cal entrará en vigor o chamado período de transición. Se Westminster tomba o acordo o máis previsible é que tombe o Goberno de May e se convoquen eleccións xerais; polo momento, xa se produciron tres dimisións no seu gabinete Se Westminster tomba o acordo, o máis previsible é que tombe o Goberno e se convoquen eleccións xerais. E, a continuación, que haxa un novo referendo sobre o Brexit ou que haxa un Brexit sen acordo ou que se pospoña a data do Brexit. Pero antes desa votación a crise interna do gabinete May xa é un feito, coa dimisión do secretario de Estado para Irlanda do Norte, do ministro para o Brexit e da ministra de Traballo, os tres evidenciando a súa oposición ao acordo. Por parte da UE, o proceso é máis sinxelo: basta cunha maioría simple no Parlamento Europeo e que 20 países que representen o 65% da poboación europea o aproben no Consello da UE. As primeiras reaccións O líder laborista, Jeremy Corbyn, quen confiaba en que o Brexit levase ao Goberno de May por diante, afirmou que o acordo non respondía o interese nacional porque "non satisfai as necesidades de todas as partes de Gran Bretaña". No entanto, até este xoves non se anunciará o sentido do voto definitivo dos laboristas no Parlamento. Algúns deputados tories están molestos, porque entenden que o Reino Unido seguirá atado a normas comunitarias no futuro. May, comparecendo sobre o acordo en Downing Street / Gov.uk Nicola Sturgeon, primeira ministra escocesa: "É malo, sácanos dun mercado único oito veces maior que o Reino Unido, ameaza postos de traballo e nivel de vida" A pesar do apoio do Gabinete, May afronta unha batalla para superar o trámite parlamentario. Os unionistas de Irlanda do Norte que a sosteñen, o DUP, sumáronse ás críticas ao acordo. Críticas, polo lado contrario, que tamén expresou a primeira ministra escocesa, Nicola Sturgeon: "É malo para Escocia, porque nos saca dun mercado único oito veces maior que Reino Unido e ameaza postos de traballo, investimentos e o nivel de vida". De que estamos a falar? O asunto que máis custou desbloquear é o backstop, a fronteira entre a República de Irlanda e Irlanda do Norte, que non será física 585 páxinas, 185 artigos e tres protocolos tras ano e medio de negociacións. O acordo de retirada é unha sorte de divorcio detallado. Inclúe un compromiso para protexer os dereitos da cidadanía comunitaria no Reino Unido e da británica na UE, para poder seguir vivindo, traballando e estudando onde o estean facendo. Tamén se planeou un período de transición de 21 meses -que pode ser prorrogable, segundo o acordo- despois de que Reino Unido deixe a UE o 29 de marzo de 2019, e un compromiso financeiro do Reino Unido, de entre 35.000 e 39.000 millóns de libras. Barnier, amosando o bosquexo do acordo / Comisión Europea O asunto que máis custou desbloquear é o backstop, a fronteira entre a República de Irlanda e Irlanda do Norte, que non será física. Non en van, a primeira dimisión no gabinete de May tras o acordo foi este xoves a do secretario de Estado para Irlanda do Norte, Shailesh Vara. Pouco despois anunciaron a súa marcha do gabinete o ministro para o Brexit, Dominic Raab, e a titular de Traballo, Esther McVey. Irlanda do Norte estará asimilada ao mercado único da UE porque é "esencial para evitar unha fronteira dura", afirmou Barnier Ambas as partes comprometéronse en asegurar que hai solucións alternativas á fronteira. O negociador da UE, Michel Barnier, dixo na rolda de prensa que se non está claro o acordo da relación futura tras o Brexit entre as dúas partes para xullo de 2020, o período de transición podería prorrogarse. Todo isto podería terminar evolucionando nun territorio de mercado común entre a UE e o Reino Unido, sen aduanas nas fronteiras para que non rache o Reino Unido polo mar de Irlanda, porque Irlanda do Norte estará asimilada ao mercado único da UE porque é "esencial para evitar unha fronteira dura", afirmou Barnier. E queda negociar a relación entre Reino Unido e a UE tras o Brexit, que é o que debería concretarse no período de transición, un marco regulatorio, económico e comercial.
PRAZA_18709
IMAXES HISTÓRICAS | O 5 de decembro de 1938, o xeneral fascista aceptaba nun acto solemne o agasallo para cuxa compra se recolleron 'doazóns' entre a represión e o medo. O documento asinado é un dos eixos no que a Deputación basea o informe para reclamar a devolución das Torres
"Acepto". Aquel 5 de decembro, xusto hai 80 anos, o ditador Francisco Franco estampaba a palabra e a súa sinatura no documento da Junta Provincial Pro-Pazo del Caudillo. Aceptaba así o xeneral o agasallo desta entidade creada en 1937 polas autoridades coruñesas do nacente réxime ditatorial, como o gobernador civil, Julio Muñoz, ou empresarios afíns encabezados polo banqueiro Pedro Barrié de la Maza. O dirixente fascista viaxara expresamente a Galicia a recoller o presente para cuxa compra aquel colectivo creado ad hoc levaba tempo recollendo achegas económicas. De administracións, a través de fondos públicos, retendo salarios a funcionarios públicos ou mediante doazóns de particulares, con patrullas de falanxistas acudindo ás casas en plena época de represión e guerra.O 5 de decembro de 1938, hai 80 anos, Franco asinaba en Meirás a aceptación da 'doazón' do Pazo de MeirásTan só días antes, dérase por concluída a batalla do Ebro, con milleiros de mortos e a retirada do exército republicano, e os franquistas preparaban xa a ofensiva final sobre Catalunya. En Galicia, continuaba a brutal represión que, tan só naquel ano, provocou o asasinato de máis de 550 persoas. Naquela altura, a Junta Pro-Pazo decidiu organizar unha cerimonia para lle entregar a Franco as Torres de Meirás tras unha compra sufragada por aquela peculiar "subscrición popular", con mortos nas cunetas e cunha cada vez maior exaltación fascista e militar nas rúas. Obrigada, asumida, fervorosa ou atemorizada, esa era a atmosfera que transmiten as imaxes e os rostros da colección de fotografías que daquela época dixitalizou non hai moito a Biblioteca Nacional de España. A visita de Franco a Galicia aquel 5 de decembro de 1938 para solemnizar a incautación do Pazo de Meirás quedou plasmada nunhas fotos que ilustran o percorrido do ditador pola Coruña, Santiago, Sobrado dos Monxes e Meirás (Sada). Era un luns frío pero seco. As fotografías daquela visita do xa denominado como caudillo, malia seren concibidas como "arma propagandística", amosan certo fervor entre algunhas figuras, pero tamén desacougantes escenas da veciñanza, tamén dos máis pequenos, realizando o saúdo fascista ou desfilando con olladas perdidas e fondas marcas das penurias da época. Franco solemnizaba coa sinatura a cesión do Pazo como xefe do Estado, un dos eixos nos que se basea o informe da Deputación para reclamar a devoluciónFranco dirixiuse a asinar solemnemente aquel documento en Meirás, o que determinaba que a Junta Pro-Pazo cedíalle, na súa condición de xefe de Estado, o Pazo de Meirás que antes fora adquirido a Manuela Esteban-Collantes y Sandoval, lexítima herdeira da filla de Emilia Pardo Bazán, antiga propietaria das Torres.O documento é, precisamente, un dos eixos fundamentais do informe xurídico encargado pola Deputación da Coruña e que reclama a propiedade pública das Torres argumentando unha transacción "ficticia". "É un dos elementos en que se fundamentan os informes xurídicos e históricos para afirmar que Franco recibiu o Pazo en calidade de xefe do Estado e que el gozaba da residencia de verán desde o ano 38, polo que o contrato posterior é unha compravenda simulada para facerse coa propiedade a título persoal", defende a vicepresidente do organismo provincial, Goretti Sanmartín.Durante aquela visita, segundo recolleu a prensa da época, o ditador chegara a comprometerse a construír unha autoestrada entre A Coruña e Madrid "y el viaje se hará en cinco horas" --Galicia non tería conexión coa capital española por autovía ata máis de sesenta anos despois--. Tras tomar posesión do Pazo xunto á súa familia, entre eles a súa filla, Franco viaxou a Santiago, onde desfilou polas rúas e accedeu á Catedral baixo palio. Xa era dono das Torres de Meirás. Franco visitou A Coruña, asinou en Meirás, prometeu unir Galicia con Madrid por autovía e accedeu á Catedral de Santiago baixo palio"Galicia que le vio nacer, que oyó su voz el 18 de julio, que le ofreció la sangre de sus hijos y el tesoro de sus entrañas [...] asocia para siempre el nombre de Franco a su solar, en tierras del Señor San Yago, como una gloria más que añadir a su Historia". Era así como certificaba nun documento a Junta Provincial Pro-Pazo del Caudillo a doazón ao xeneral fascista do Pazo de Meirás meses antes, o 31 de marzo de 1938. Nese mesmo día, o Concello da Coruña daba conta da "adquisición" do inmoble "para ofrecerlo como residencia veraniega a nuestro invicto Generalísimo y Glorioso Caudillo" e o gobernador civil envía un telegrama ao ministro Serrano Suñer para comunicarlle, "en nombre de esta ciudad y provincia", que as Torres viñan de ser "adquiridas por el pueblo coruñés para donarlo a nuestro Caudillo S. E. Jefe del Estado".O alcalde da Coruña acordara a compra do Pazo por 400.000 euros aos herdeiros de Pardo Bazán meses antes en San SebastiánFora o alcalde da cidade, Álvarez de Sotomayor, --o quinto designado en plena guerra tras o asasinato de Suárez Ferrín-- quen viaxara a San Sebastián para acordar alí a venda de Meirás, á que os donos accederon por un prezo aproximado de 400.000 pesetas. Así o recoñecía un tenente coronel do exército fascista nun informe reservado no que aludía á "rapidez" coa que se levaran a cabo as negociacións para evitar que se lles "adiantasen" outras provincias coa "mesma idea". Recólleo o profesor da USC Xavier Ferreira Fernández nese informe histórico-xurídico que, xunto a Emilio Grandío, Manuel Pérez Lorenzo e Miguel Ángel Rodríguez realizaron por encargo da Deputación da Coruña.Malia constar un pergamiño coa propia sinatura de Franco aceptando a doazón e as declaracións, comunicacións e textos analizados daquel 1938 nos que se documenta a doazón do Pazo, a cesión non se elevou a escritura pública. Mesmo o ditador recibiu nun solemne acto en Compostela o devandito pergamiño, un ano despois daquela sinatura en Meirás, en decembro de 1939. "Acepto gustoso y exclusivamente por ser un obsequio de mis queridos paisanos", dicía respecto do agasallo.O 24 de maio de 1941, e logo de que se publicitase aquela doazón e Franco xa empregase o Pazo como residencia oficial, outorgouse en Madrid e ante notario unha escritura de compravenda da finca urbana Torres de Meirás, inscrita no Rexistro Civil de Betanzos xusto medio ano despois. Nela, reflécitese unha compravenda directa do inmoble entre os herdeiros da familia Pardo Bazán, como vendedores, e Francisco Franco Baamonde, como comprador a título persoal, representado por Pedro Barrié de la Maza, membro da Junta Pro-Pazo e posteriormente Conde de Fenosa.Como lembra o informe encargado pola Deputación, era un "contrato simulado" e "sen causa". Quen xa non era lexítimo propietario do Pazo --xa fora vendido o 31 de marzo de 1938-- asinou nun documento que "finxiu a existencia dunha nova compravenda" na que o comprador foi representado "a título exclusivamente particular". Era unha das artimañas que, curiosamente, é contestada por aquel acto solemne, en plena guerra civil e con toda o parafernal fascista do que se cumpre 80 anos. Oito décadas dunha cesión que busca ser revertida axiña.
NOS_35687
Alcalde de Fene desde 2015, o nacionalista Juventino Trigo afronta unha moción de censura ben peculiar, a orquestrada por unha en principio estraña alianza entre o Partido Popular e Somos Fene, unha candidatura municipalista que en orixe se situaba na órbita de En Marea. Ao pactar coa formación conservadora, Luís Villares declarou que SF xa non fai parte do espazo político da confuencia.
Trigo -que lidera un executivo de coligazón entre BNG (4 concelleiros) e Esquerda Unida (1)- ten claro que "o PP compra vontades e sempre hai quen lle segue o xogo". A moción está axendada para o 26 de outubro, mais Trigo -para quen os concelleiros de SF son tránsfugas- agarda que a xustiza acabe por anulala. -Cal é o trasfondo desta moción de censura? -O trasfondo desta moción, falo no meu nome e tamén creo que no nome do meu goberno, ten que ver con intereses persoais máis que con ningún outro tipo de asunto. Desde logo non se están a preocupar para nada do benestar dos veciños e veciñas de Fene. -Cando falas de intereses persoais imaxino que falas de intereses económicos... -Ben, non só intereses económicos. Eu teño claro que neste caso o PP como partido tennos acostumados, non só aquí, senón na Galiza e no Estado, ás corruptelas e á grande corrupción, que son o pai noso de cada día. Aquí en Fene tamén, tamén temos algún tipo de asunto deste estilo. Hoxe en día está a ser investigado un concelleiro do PP, despois dunha investigación da Garda Civil e parece que, ben, iso pon moi nervoso o PP en Fene. Alén diso, a nosa forma de gobernar no concello é o que máis lle preocupa [ao PP]. Desde o goberno, quer nós como BNG quer EU, temos unha forma de facer política que acaba coas malas prácticas e as pequenas corruptelas [do pasado]. Iso pon nervosa algunha xente. Ben e despois están os intereses persoais que poda ter o concelleiro do PP, que só aspira a se agarrar ao sillón, por non falar dos dous concelleiros de Somos Fene ou a Marea en Fene, cada un os chama a súa maneira... Non nos ten que estrañar o que fai o PP, comprando vontades de todo estilo, e eses concelleiros [de Somos Fene] éntranlles ao xogo. Hoxe en día está a ser investigado un concelleiro do PP, despois dunha investigación da Garda Civil e parece que, ben, iso pon moi nervoso o PP en Fene -Comprar vontades..., que significa comprar vontades exactamente? -Ben, verémolo nos próximos días probabelmente. Non podemos dar nada por sentado. Non hai ningunha soa razón das que se esgrime por parte dos asinantes [da moción] que ampare esta censura. O único que pode haber, como estamos dicendo, son eses intereses persoais de tipo... non sei como cualificalo... Eu creo que o mellor é agardar. E nos próximos días, se isto vai adiante, pois veremos cal vai ser o resultado e que papel van xogar cada unha das persoas que interveñen na moción. -Dis se isto vai adiante... Tes esperanza de que haxa algún recúo? -Non, como esperanza, non. A ver, isto está nas mans da xustiza [refírese a que os concelleiros de Somos Fene, ao seren expulsos do partido instrumental polo que se apresentaron ás eleccións, foron asignados ao grupo de non adscritos por un acordo plenario. Perdían así o direito a participaren nunha moción de censura. Mais os edís apresentaron un recurso e o xuíz decidiu, nunha medida cautelar, restituírlles os seus direitos]. Isto é o que hai. Eles están a aproveitar unhas medidas cautelares para, nunha clara fraude de lei, apresentar esta moción a correr, antes que poda haber unha sentenza [que lles voltase a retirar os seus plenos direitos]. Non sabemos que pode pasar, se se anularán ou non esas medidas cautelares, se se ditarán unhas cautelarísimas... En definitiva, agardaremos a ver, pode haber asuntos estes días que poden modificar a situación. Mais, en fin, que a xente teña claro que nós non imos aferrar ao sillón. A diferenza doutros, nós estaremos onde nos poñan para traballar para a xente. Unha moción de censura, por suposto, aínda sen motivos como esta, é perfeitamente lexítima, co cal se finalmente é legal [isto é, se a xustiza non a tomba], pois non hai ningún problema e poñémonos a traballar onde nos toque. O que está claro é que nós, se temos que ir á oposición, non faremos o que están a facer nos últimos meses o tripartito que temos na oposición [PP, PSOE e Somos Fene]. Nós faríamos unha oposición firme, por suposto, mais construtiva, que beneficie as veciñas e os veciños de Fene. O contrario do que fan eles, calquera cousa válelles para tentar paralizar o concello. E a pesar de todas as súas políticas obstruccionistas, Fene funciona e funciona de maravilla. Estanse a facer cousas que levaban anos e anos paralizadas, puxéronse en marcha obras que acumulaban décadas de retraso, desbloqueouse tamén a contratación de persoal, nós estamos por reforzar os servizos públicos e non por privatizalos, modernizamos o concello no tema informático e de adaptación á lei de procedimento administrativo... Ou sexa, o concello funciona e funciona moi ben e as veciñas e os veciños veno no día a día e así nolo fan chegar. -Isto está en mans da xustiza, mais co lenta que vai a xustiza non creo que dea chegado antes do 26 de outubro, non? -Ben, aí si que xa non son eu quen para dicer nada. En principio, parece ser que algunha xente di que podería ser porque serían unhas medidas cautelarísimas que poderían ser inmediatas ou de moi pouquiños días. Mais, bon, non é ese o fin último de todo ese proceso. O que queremos é que as veciñas e veciños -toda a cidadanía en xeral- vexa cal é a forma de traballar do Partido Popular e cal é, en contraste, a nosa. Estes días, hai un par de meses, deron a orde de saír ao asalto a calquera concello, como estamos vendo en toda Galiza, sen importarlles en absoluto o que leven por diante. Proxectos de modernización do concello... ben, non lles importa, o PP o que quer é agarrar os sillóns... Algunha enquisa deben ter por aí que lles di que se callar as cousas non lles van tan ben como eles pensan, e eles unha vez que tocan a rebato pois van ir a todos os sitios, como se están vendo en todos os concellos en que está a ocorrer o mesmo [desde as municipais de maio de 2015, o PP recuperou a alcaldía en 5 municipios através de mocións de censura]. E despois sempre hai xente que se brinda a lles entrar ao seu xogo. Nese sentido, Somos Fene terá de lle explicar ao seu eleitorado que disque viñeron á política para mudalo todo e o que mudan é un alcalde de esquerdas e un goberno de esquerdas, de BNG e EU, por un goberno do PP. Deron a orde de saír ao asalto a calquera concello, como estamos vendo en toda Galiza, sen importarlles en absoluto o que leven por diante. -Na conferencia de imprensa que deche a sexta feira 13 de outubro con Bieito Lobeira, dixeche que "os que viñan para mudalo todo terán que explicar por que dan a Alcaldía ao PP". Por que cres que dan a Alcaldía ao PP? -Alén de pequenos rancores, que diso sempre pode haber na política, e até poderían ser lícitos, por os ter expulso no seu momento do goberno [Trigo cesou en agosto de 2016 os concelleiros do PSOE e Somos Fene cos que formaba un tripartito], terán que ser eles os que dean a explicación. Estes días estamos a ver como desde En Marea [Luís Villares], desde agrupacións que fan parte de En Marea ou desde persoas a título individual, estánlles chamando a atención a eses dous edís para que recapaciten. Mais vexo que iso é moi complicado. O PP insiste nese asunto de facer mocións e este día o señor Tellado -secretario xeral de PP- saíu dicendo que con catro concelleiros [os que ten o BNG] non se pode gobernar... Aí ves que lles importa tanto Fene que nen sequer saben os concelleiros que estamos a gobernar aquí. Fan unha moción e nen sequer saben que aquí estamos gobernando con cinco concelleiros, non con catro, dous grupos políticos (BNG e EU) e non só iso senón que en Fene o PP gobernou con 6 en minoría sen que ninguén lle obstaculizase o labor de goberno. Iso é o que demostra que ao PP lle importa todo tres pepinos. Non lle importan as veciñas e os veciños. Só lles importan os seus cálculos eleitorais e manter algún señor que non ten outra forma de viver [en alusión ao portavoz do PP]. Este é o problema cando algunha persoa se converte en político profisional e abandona calquera outra profisión. -En agosto de 2016, cando cesache por perda de confianza os concelleiros do PSOE e de Somos Fene, nalgún momento se che pasou pola cabeza que esa decisión podería abrir as portas a unha moción de censura ou non? -Si, si, por suposto. Neste caso, tanto eu como os concelleiros que estaban comigo no goberno tiñamos clara unha cousa: estamos no goberno para gobernar e para tentar mellorar as condicións de vida das veciñas e dos veciños. Que ocorre? Que non estamos dispostos a estarmos na Alcaldía a calquera prezo. Nós sabíamos que se deixábamos facer aos grupos que estaban no goberno [PSOE e Somos Fene] pois non íamos ter nengún problema, estaríamos os catro anos, pero loxicamente non se estaría cumprindo aquilo que lles prometimos ás veciñas e aos veciños. Entón, perante esa elección, decidimos que o noso interese eran os veciños máis que o sillón da Alcaldía. E nese momento sabíamos que en calquera momento poderían poñerse de acordo co PP para facelo [para apresentar a moción de censura].
NOS_47792
O goberno español recoñece nun comunicado de imprensa que está a preparar a reforma dos Rexistros civís pola cal este servizo público pasará a mans de rexistrador@s da propiedade, área á cal pertence Mariano Rajoy. A denuncia partiu do colectivo de profesionais Jueces para la Democracia, que alertan de máis un "ataque contra a administración de xustiza como servizo público, prexudicando a maioría da poboación e beneficiando rexistradores e notarios"
O goberno español planea substituír os e as xuizas do rexistro civil por rexistrador@s da propiedade, área da función pública á cal pertence o líder do PP, Mariano Rajoy, aínda que leva máis de vinte anos de excedencia. A información partiu do ministerio de Xustiza mediante nota de imprensa após unha denuncia do colectivo Jueces para la Democracia, que denunciou "a intensa privatización do rexistro civil prexudicando a maioría da poboación e beneficiando rexistradores e notarios" pois, segundo sinalaron, está prevista unha inversión de 128 millóns nestas oficinas. Confirmou o departamento que dirixe Alberto Ruiz-Gallardón que está a tecer o anteproxecto de Lei para reformar os rexistros, e alertaron en Jueces para la Democracia que "deixará de ser un servizo público e pasará a depender dos rexistradores da propiedade e dos rexistradores mercantís", fronte á situación actual, cando se financia cos impostos da cidadanía e non existe re-pagamento polos servizos que nel se prestan. De saír adiante estoutra reforma de Gallardón haberá que pagar unha taxa para obter un certificado de nacemento, de defunción ou para casar polo civil, caso este último en que o tributo o cobrarán nas notarías. "O esforzo do goberno por desmantelar o público chega nestes casos a solucións extravagantes", subliña o colectivo de profesionais da xustiza, que denominan "contraditorio" destinar 128 millóns á modernización e informatización dos rexistros civís para os deixar agora en mans privadas "con fins lucrativos para os seus xestores". Jueces para la Democracia situou esta nova medida anunciada polo PP na liña das taxas xudiciais, "un ataque á administración de xustiza como servizo público" e vaticinaron que "nun contexto de crecente pobreza e exclusión social" as persoas rematarán por non inscribiren as crianzas ao non poderen pagar os tributos fixados.
NOS_40708
O novo delegado do Goberno español na Galiza, José Miñones, é un dos valores en alza dos socialistas galegos. O seu ascenso é considerado como unha vitoria dos críticos co actual líder do PSdeG.
José Miñones é un dos valores en alza dos socialistas galegos. Concelleiro en Ames desde 2007, alcalde desta localidade á fronte dun Goberno de coalición co BNG e Unidas Podemos desde 2015 e sanchista de primeira hora, nos últimos meses fixo parte das quinielas dos posíbeis sucesores de Gonzalo Caballero. Tanto é así que un día antes de ser anunciado como novo delegado do Goberno do Estado na Galiza descartouse como candidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE. A súa elección como Delegado do Goberno introduce un perfil diferente na responsabilidade e tenta dar un novo impulso á acción gobernamental dos socialistas nun momento complexo para o Executivo de Sánchez. A diferenza do seu antecesor, Javier Losada, quen chegou ao cargo grazas ao apoio de Carmen Marón e coa oposición do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, Miñones presenta un carácter máis dialogante, con maior capacidade de construír consensos dentro e fóra das filas socialistas e un estilo de facer política máis axeitado aos tempos de hoxe. Miñones ten por diante retos importantes na esfera da xestión e tamén da política. Así, entre os primeiros, deberá enfrontar as derivadas sanitarias e económicas da pandemia, a crise industrial, e concretamente a situación das factorías de aluminio da Coruña e Cervo, a definición dos usos do Pazo de Meirás e a liberalización das peaxes e mais a transferencia da AP-9. Por outra banda, fícalle un labor de explicación pedagóxica da acción do Goberno do Estado na Galiza e unha interlocucción exixente con Madrid co fin de situar na axenda os problemas galegos. O seu nomeamento ten, tamén, unha lectura orgánica. Membro da executiva do PSdeG e dirixente crítico con Caballero, após os resultados das eleccións galegas apostou por organizar unhas primarias para escoller un novo liderado no partido. Malia non participar nos últimos tempos das reunións da dirección socialista, presuntamente por diverxencias co secretario xeral, é o único galego designado por Pedro Sánchez para participar como relator no congreso federal do PSOE de outubro, cuestión que algúns explican como unha desautorización a Caballero. O ascenso de Miñones é considerado como unha vitoria dos críticos co actual líder do PSdeG. Persoa próxima ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, a súa elección é interpretada por diversos sectores do partido como un toque de atención a Caballero para que se faga a un lado. A este respecto, desde o círculo do secretario xeral dos socialistas galegos discrepan desa análise e adiantan a decisión de Caballero de continuar á fronte da formación. Pola súa banda, fontes da dirección estatal da organización cualifican a decisión como "o inicio da renovación do partido na Galiza, que rematará no congreso de finais de ano". O PSdeG ten diante de si nos vindeiros meses un reto chave. Unha vez confirmada a vontade de Gonzalo Caballero de concorrer de novo como candidato ás vindeiras eleccións galegas e a decisión firme do equipo de Sánchez de promover un cambio de liderado na Galiza, os socialistas deben afinar en como afrontar o proceso e acertar na elección da nova dirección. A falta de formalizar as alternativas a Caballero, o nome do presidente da Deputación da Coruña, Valentín Formoso, é un dos que máis soa.
NOS_9993
A Federación Galega de Ciclismo chama a protexer os ciclistas nas estradas a través do endurecemento da lexislación.
O Boletín Oficial do Estado (BOE) recolle nesta cuarta feira a publicación da nova 'Lei Ciclista', un texto que endurece as penas ante delitos cometidos contra este colectivo e que supón unha modificación do Código penal no que atinxe ás imprudencias na condución de vehículos de motor ou ciclomotor, pois corrixe despenalización que se atopaba vixente desde 2015. Agora poderá ser perseguíbel de oficio e poderán ser os xuíces os que inicien un procedemento se consideran que hai imprudencia grave, sen ter que ser solicitado pola vítima. Ademais, os fiscais tamén estarán facultados para impulsar este tipo de procedementos penais. Aliás, as infraccións consideradas de menor gravidade a pena de privación do dereito a conducir vehículos motorizados pasa de ser facultativa a preceptiva. O presidente da Federación Galega de Ciclismo (FCG), Juan Carlos Muñiz, afirmou que os colectivos máis vulnerábeis son os que están a sufrir as perdas humanas na estrada, polo que fixo un chamamento a "seguir co traballo e a aposta" pola seguridade viaria e, "sobre todo", pola concienciación e o respecto. Darse á fuga ou conducir alcolizado "non pode ser falta leve", precisa Muñiz Ante os delitos cometidos contra este colectivo, Muñiz criticou que, se unha persoa atropela un ciclista e decide darse á fuga ou está baixo os efectos de alcol ou drogas, "non pode considerarse como unha falta leve", nin tampouco "como unha falta que directamente non teña unhas consecuencias". Así, Muñiz lembrou que a federación, na última campaña para a reforma do Código penal, xa estivera "detrás" da iniciativa que solicitaba un endurecemento das penas e que non se considerasen faltas leves. Esta iniciativa foi emprendida por unha persoa que perdeu o seu marido, en 2013, ao ser atropelado por un camión que fuxiu após o incidente.
NOS_43616
Xosé Luís Rivas Cruz, Mini, o home da longa barba branca. Un elemento característico dun persoeiro dedicado á docencia, á música, á política... Conta que a barba era símbolo de rebeldía nalgún tempo, que era unha forma de rabuñar espazos de liberdade. "Por iso deixabas as greñas, falabas galego... iso era o que provocaba, de iso se trataba".
Naceu en Begonte, pero considérase un boimortense máis, leva a meirande parte da súa vida instalado nesta vila. A súa infancia transcorreu durante a ditadura, etapa que marcou de cheo a súa persoa. En 2007, mesturando esa paixón pola memoria e o sentimento de ser un máis do lugar no que era mestre, escribe Boimorto: memoria dun silencio. Deste xeito reivindica a memoria dun pobo, loita contra o esquecemento e priva do silencio eterno as familias dos asasinados. Bueu homenaxeará Johán Carballeira, asasinado polo franquismo hai 85 anos En Boimorto foron once os mortos. Doce os que pretendían asasinar. Como dicía Julia Conesa, unha daquelas rosas asasinadas en 1939, "que mi nombre no se borre de la historia". Que os nomes dos Homiños de Boimorto non se borren da memoria: Manuel Espiñeira, Ramón Enjamio, Antonio Felpete, Juan Martínez, José Barreiro, José Tojo, Isidro Filloy, Andresito Filloy, José Cabanas, Ramón Vázquez, Ramón Sánchez e Caián das Quintas. Foi a mediados de agosto de 1936, citaran en Boimorto a aqueles que tiñan certa relación coa política, aínda que houbo moito de vinganza persoal. De Boimorto trasládanos en camión a Sobrado, onde foron vítimas dun abuso e maltrato continuo. Días despois son asasinados, pois o cárcere de Compostela estaba cheo e dan as seguintes ordes "aquí non collen máis, facede o que queirades con eles". E fixérono. É inevitábel non facer fincapé na dedicatoria de Boimorto: memoria dun silencio. "Para os que morderon sangue ou silencio durante tantos anos porque non sei, se por culpa dese longuísimo e pesado silencio, o tempo poderá cumprir o seu labor de poñer a cada quen no seu sitio". Pensa que o tempo cumpriu esa labor da que fala? Puxo a cada quen no seu sitio? Non, nunca. Porque o proceso foi moi longo, foi demasiado tempo e a represión foi tan brutal que deixou mancada á xente. A gran palabra é esquecer, a segunda é medo. Porque esa necesidade de esquecer está sustentada por un medo tremendo ao futuro, á vida, a poder resistir. Non pensa que o feito de querer gardar e defender a memoria é de gran axuda para superar ese medo? Non. No momento da transición, quen trouxo a democracia? Foi aquela xente que estaba manchada de sangue, que foi cómplice de todo isto. Entón, iso abortou calquera posibilidade de liberdade democrática e de proxecto. O que estaba en xogo, o que estivo sempre en xogo con esta represión, foi a posibilidade de soñar un soño colectivo. Porque a República foi un soño colectivo, foi a posibilidade de abrir o mundo. No caso de Boimorto, os falanxistas escolleron os veciños instigados polo cura de Andabao. Cal foi o criterio que seguiu o crego para escoller os nomes dos que serían paseados? Hai que ir atrás. Hai un informe, que fai o secretario do Concello a petición do primeiro gobernador civil da República, que está incluído no libro. Fala de que entre todo o elenco de curas que había aquí, só se salva un. O resto son verdadeiros sicarios a favor dos amos. Don Emilio, o cura de Andabao, é dos que está a favor da dereita absoluta, en contra da República evidentemente. Pouco antes dos asasinatos hai un asalto por parte das esquerdas á casa do cura, el sae pola ventá. Mais hai unha frase que pronuncia López Bodelo, o alcalde, ante os feitos: "a vida hai que respectala". Hai unhas denuncias datadas meses antes dos asasinatos. O párroco de Andabao denuncia uns feitos no Xulgado de Arzúa, onde están implicados Isidro Filloy, José Cabanas, José Paz e Pedro López Bodelo? Eu non sabía delas. Por que non correron a mesma sorte que os compañeiros José Paz e Pedro López Bodelo? Na lista eses nomes estaban. Hai telegramas onde se pide que se vixíe sen provocar ás dereitas e os sermóns dos curas, pois algo se estaba preparando. López Bodelo, nunha reunión con todos os que mataron, di: "se hai algún movemento raro, ao monte". Pero claro, a xente que non está manchada de sangue, que non ten delito ningún máis que traballar polos veciños, non vai ao monte. Quédase. Ese é o seu erro. Algún deixara o almorzo na casa sen comer, contaba de volver axiña. Non sospeitaban nada? Si, posibelmente si. Non ocorreu o 18 de xullo, foi o 20 de agosto. Aí hai un período de calma absoluto, aí é cando hai incerteza de como vai o asunto. É unha loita desigual, non acontece nada até que nomean delegados de orde público. Entón, Mola ordena fusilar a todo o mundo que tivera mirado para o lado esquerdo, "así sea mi propia madre", dixo. Estou seguro de que se a nai de Mola fose de esquerdas que a fusilaban. Deste xeito era o asunto, por iso López Bodelo e José Paz se botan ao monte. Non todos estarían involucrados na política... Andresito Filloy era moi novo, el tamén? A nai de Andresito, Amalia, estaba metida en sindicalismo duro. Na folga xeral de outubro de 1934 plantouse diante da porta da fábrica e dixo "aquí non entra ni dios". E non entrou ninguén. Pero claro, matar a unha muller era demasiado, entón vínganse co fillo. En moitas zonas as mulleres foron vítimas de escarnio, rapas, violacións... É moi duro publicar iso. A parte da barbaridade que pode ser, do abuso, estás afrontando unha muller que é nai, posibelmente os fillos tamén se sintan feridos. Sería importante publicalo, aínda que fose de xeito anónimo. Non é necesario un recoñecemento ás que non foron asasinadas pero sufriron igualmente represión? Os feitos non se poden esquecer por outras razóns. Non pola afronta persoal, senón pola afronta social... Esas mulleres sufriron máis represión que os homes. Primeiro a soidade, daquela unha muller era unha "ninguén". Un home podía recompoñer a súa vida. Unha muller non, unha muller estaba atada ao loito, ao loito permanente. Ademais, as burlas... por que moitas das familias dos fusilados marcharon para fóra? É moi duro que veña un fillo chorando da escola porque lle dixeron algunha cousa, porque era fillo dun roxo. Por iso moitos preferiron calar e ocultar o pasado? Claro, moitos volvéronse os máis católicos. Era necesario. Non só afecta a determinadas persoas, afecta a todo un colectivo. Afecta sobre todo na maneira de vivir. De repente, na túa casa non podes falar libremente, tes que rezar o rosario. Nestas represións tamén houbo moito de vinganza persoal... Si, hai unha moi clara. Un deles era de dereitas, entón non cadra. Din que foi unha vinganza pola muller, que era moi guapa. Ademais, ela era de boa familia e el non, polo que non era moi querido. A muller escapa, acabou en Arxentina. Eu falei con ela e contoume... Aí posiblemente hai vinganza. Pensa que en Boimorto se fixo o suficiente por curar as feridas abertas polo franquismo? Fomos demasiado cautos, demasiado prudentes, demasiado demócratas. Demos os pasos necesarios para que non se mancara ninguén. Botamos case dous anos falando coas familias, pouco a pouco. Fixémolo con tranquilidade. Eu creo que saíu ben. Teríase que facer antes? Si, por suposto. Para reconstruír con mediana certeza unha aproximación á verdade, tiña que ser feito nos 80. Porque había testemuñas vivas, porque a sociedade que había daquela era absolutamente distinta. Moitos critican a loita contra o esquecemento, a recuperación da memoria. "Avivar vellas feridas", "volver ao pasado". De que teñen medo? A quen lles avivamos as vellas feridas? Quen está ferido? Os represores? Porque son os únicos que se doen. Aquí o que hai que facer é rascar, quitar a costra das feridas e que sangue un pouco para que estile ben, curalo ben. Os feitos foron os que foron, hai que miralos dende os tempos de hoxe. Eu sempre lamentarei que non se fixera antes. Non ter conciencia antes destes feitos. Seis dos homes foron asasinados na Curva dos Batáns e enterrados nunha fosa en Ortoño, os demais no Amenal. Na fosa do Amenal atopáronse os restos dalgúns. En Ortoño levárase a cabo unha exhumación, lamentablemente, sen resultados. Aprobouse unha nova exhumación no lugar de Ortoño, non é así? Pois segundo unha veciña, da primeira vez, non se estaba a buscar no lugar adecuado. Xa quedaba pouca xente que o soubera. Todos dicían que era por onde baixaba a cadea da campá. Alí non están. Facendo a escavación chama o neto da señora, Cristina, que acababa de vernos pola televisión e estaba chorando, porque ela sabía onde estaban e alí non era. Pouco despois apareceu polo lugar e contounos toda a historia. Ela era moi nova cando acontecera, ía cunha veciña cara Santiago e veunos. Nós conseguimos o permiso para escavar, pero torcéronse as cousas. Había movementos por debaixo. Eu preferín deixalo quedar, non temos présa. Cre de verdade que non había présa? Morreron moitos coa ferida gravada no corazón. Si pero non. Para facer as cousas mal, mellor non. Fíxose todo o humanamente posible. Sería doutro xeito se a sociedade estivera dacordo, pero non o estaba, nin está. Cre que de atoparse os corpos nesta segunda exhumación, daríase por cerrado un ciclo en Boimorto? Ou é necesario seguir reivindicando a memoria? É necesario seguir reivindicando, polo menos oitenta anos máis. As dúas palabras chave son o medo e o silencio. Porque o silencio rouba parte do noso pasado. Porque o medo rouba a posibilidade de medrar. Isto é moi duro. É pasado, pero pode ser presente ou futuro. A pesar de todo é necesario loitar, buscar a luz. Intentalo. A meta non é importante. É o camiño, o camiño é o que importa. É onde te realizas, onde realmente te sentes ben. Igual conclúes ao final que non foi moito o que conseguiches, ou non foi nada. Pero as enerxías queimadas pagaron a pena. O de Boimorto pagou a pena, aínda paga a pena.
PRAZA_16845
Había que botarlle peito para circular en bicicleta polo París de comezos de século, pero Lenin non perdía ocasión de facelo
Un día de Ano Novo a finais da década dos 1910 a historia do planeta estivo a punto de mudar polo atropelo dun ciclista. Despois das celebracións propias da data, un exiliado ruso corentón e con pouco pelo escapou por moi pouco de morrer debaixo das rodas dun motocarro nas rúas do sur de París. Cando conseguiu levantarse do piso e contemplou a desfeita, púxose rubio de rabia desde a perilla á calva. O ciclista era Lenin. Había que botarlle peito para circular en bicicleta polo París de comezos de século, pero Lenin non perdía ocasión de facelo "Viña pedaleando desde Juvisy [enténdese que cara ao seu apartamento no centro, na Rue Marie-Rose, preto de Montparnasse] cando un motocarro chocou comigo e machacoume a bicicleta. Menos mal que din saltado a tempo", escribiu o líder comunista despois do accidente. Se temos en conta que Juvisy-sur-Orge está nas aforas de París, a uns quince quilómetros do centro, e que a capital francesa non é precisamente un forno en pleno mes de xaneiro, podemos deducir que a Lenin o de pedalear non se lle daba nada mal. Había que botarlle peito para circular en bicicleta polo París de comezos de século, e a verdade é que Lenin non perdía ocasión de facelo. Só ou na compaña da súa compañeira Nadhezhda Krupskaia saía facer longas rutas de ata setenta quilómetros arredor da capital. Vladimir Ilich movíase sempre pedaleando, xa fose para comprar libros no centro ou para ir a reunións políticas. Tamás Krausz conta en Reconstructing Lenin: An Intellectual Biography que unha vez lle roubaron a bici e agarrou unha perrencha de moito coidado. Robert Service di na famosa biografía que lle escribiu que, sendo como era un obseso da limpeza, tiña a bici tan brillante que parecía un instrumento de cirurxía. Lenin estaba namorado do ciclismo e non era cousa de novo: anos antes, exiliado en Londres e sen ocasión de pedalear, recordaba con morriña os tempos nos que aprendera a montar, en Moscú a finais do XIX. Entre 1908 e 1912, mover aquel pesado artefacto de ferro polos outeiros que rodean París servíalle para calmar a tensión nerviosa que arrastraba desde a xuventude. Non é difícil imaxinar pois o enfado que debeu apañar cando veu o seu prezado medio de locomoción todo retorto baixo as rodas dun motocarro. Os biógrafos contan que, pese a que era estranxeiro, pese a que era un tipo moi vixiado e que quizá o máis razoable fose deixar correr o asunto, Lenin ameazou, berrou e finalmente preiteou. E acabou gañando o xuízo e facendo que o condutor lle pagase unha bici nova.
NOS_38657
Trinta e oito espectáculos dos que 17 son estreas -nove absolutas e oito na Galiza- conforman o núcleo da 28ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) en Carballo. Entre o 27 de setembro e o 1 de novembro, a cidade bergantiñá será a capital escénica do país. "O máis relevante da escena galega e estatal contemporánea, ademais de propostas internacionais chegadas de Portugal e Israel", indica a organización.
Que é a asociación cultural Telón, coa colaboración do Concello de Carballo. O ciclo tamén ofrecerá "múltiples accións de dinamización cultural, exposicións, encontros con artistas, teatro de rúa, microteatro e un circuíto gastronómico de insipiración teatral con tapas nos bares". E pezas de Carmen Maura, Teatro Kamikaze, Cándido Pazó, Quico Cadaval, Álvaro Tato, Tito Asorey, Carolina Román ou a Companhia do Chapitô. O teatro social centra o FIOT 2019, "Queremos xerar reflexión e conversa sobre o mundo actual e a realidade líquida na que vivimos", sinalan os promotores, "propoñemos subir ao escenario individuos e colectivos que a sociedade mantén nas marxes, nas periferias, a quen negan indentidade e o espazo que lles corresponden". En concreto, refírense á muller, a mocidade, a exclusión social, as violencias machistas, a identidade ou "a loita coa ruptura de lindes inxustamente marcados". Todo tipo de linguaxes escénicas sucederán sobre as táboas dun Outono carballés que divide a oferta por seccións: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa ou o certama Microescenas Metro Cadrado. Entre as pezas en que organización deposita máis esperanza atópanse as seguintes: Jauría, de Kamikaze Producciones (13 de outubro). "Impactante e desgarrador espectáculo de teatro documento sobre o xuízo de La Manada", dirixida por Jordi Casanova e dirixida por Miguel del Arco. La Golondrina, de La Zona (20 de outubro). "Conmovedora historia escrita polo xenial dramaturgo Guillem Clua co terrorismo e a homofobia como pano de fondo". Protagoniza Carmen Maura. Fariña, de Unodez Producións (1 de novembro). Baseada no libro xornalístico de Nacho Carretero sobre o despregamento do narcotráfico na Galiza dos anos 80 e 90, protagniza Xosé Antonio Touriñán e "porá o broche de ouro ao festival". Medida por medida, de Producións Teatrais Excéntricas (4 de outubro). Esta obra "achegará William Shakespeare á irreverencia e frescura do seun director", que é Quico Cadaval. O electo, de Contraproducións (25 e 26 de outubro). Trátase dunha "aguda comedia que aborda a vocación política" e que dirixe Cándido Pazó. Hamlet, de Companhia do Chapitô (27 de outubro). "É unha comedia visual e física na que a recoñecida compañía portuguesa despregará todo o seu humor e creatividade á vez que desafía o enxeño do público". Control Freak, de Kulu Orr. É unha das estrelas da sección Obxecto Teatral Non Identificado (OTNI), "inclasificábel espectáculo de humor intelixente e tecnoloxía punteira no que o israelí demostra as súas habilidades rompendo as fronteiras artñisticas". A.K.A. (Alson Known As), de Flyhard Produccions. "Unha obra valente e comprometida coa linguaxe adolescente e a procura da identidade". Recoñecemento a Patricia de LorenzoO Outono de Teatro nomeara Xograr de Outono a Patricia de Lorenzo, membro da compañía Chévere. Con este galardón, o festival recoñece "personaldades ou entidades que destacan pola súa promoción e desenvolvemento do teatro na Galiza". Ao tempo haberá unha homenaxe a quen tamén fora Xograr de Outono, o actor recentemente finado Celso Parada, cunha exposición sobre os 30 anos de Teatro do Morcego, a súa compañía. Venda de entradasA venda de entradas para o 28º Festival Internacional de Outono iniciouse o 13 de setembro coa posta a disposición do público dos abonos do Programa de Sala. A partir da sexta feira 20 será posible adquirir individualmente as entradas para os diferentes espectáculos do FIOT que precisan de billete para poder acceder aos mesmos, como son Programa de Sala, Rúa dos Contos ou OTNI. Toda a información sobre descontos e prezos de cada un dos espectáculos pódese consultar no propio web do FIOT, www.fiot.gal. Nota: imaxe da presentación do FIOT 2019 a pasada semana. Foto: FIOT.
NOS_40239
Eis un percurso que conecta Ricardo Carvalho Calero coa cidade amurallada, un Lugo en plena transformación urbanística, desde a cerna do colexio Fingoi, após o drama da guerra civil española
Despois de 1939, coincidiron en Lugo varios represaliados do Partido Galeguista como Avelino Pousa Antelo, Antonio Fraguas Fraguas e Ricardo Carvalho Calero, que casou en 1933 cunha luguesa, María Ignacia Ramos Diez, á que coñecera en Santiago en 1927 na clase de latín de 2º de Filosofía e Letras cando cursaba 2º de Dereito. A traxedia da guerra civil Rematados os estudos de Dereito, e os de Filosofía e Letras en 1935, pide a excedencia no seu traballo no Concello de Ferrol, dá clases particulares e cólleo o alzamento militar en Madrid opositando para institutos. O 17 de xullo de 1936 suspéndense as probas e nace a súa primoxénita Margarita. Queda illado de Galicia e alístase nun batallón de profesores que se forman en Valencia, e co grado de tenente participa na contenda sendo ferido en 1937. Despois é xulgado e condenado a 12 anos e un día de reclusión maior. Aos dous anos comeza a redimir a pena co traballo e volve a Ferrol en 1941 onde dá clases particulares, nacendo en 1942 a segunda filla, María Victoria. Grazas á amizade cos compañeiros galeguistas Álvaro Gil Varela, empresario e mecenas, e con Ramón Piñeiro, en 1949 preséntanlle no café de Méndez Núñez a Antonio Fernández López (1903-1970), home de negocios que lle encarga dirixir o Colexio de Fingoi. En 1950 vai para Lugo e a familia ao ano seguinte. Primeiro viven en San Roque, 14, na casa da nai da súa muller, pasan ao número 8 da rúa do Bo Xesús, de alí a Fingoi e despois da etapa no colexio, o matrimonio vive no número 1 da rúa Vilalba e no 7 do Carril dos Loureiros despois de 1990. A cidade na que viviu Nos anos 50 a cidade estaba en plena transformación e desenvolvemento e aínda conservaba "parte do seu enlevo de pequena capital de provincia". Conta que entre 1950 e 1970 o Lugo que coñecera na súa nenez se transformara profundamente, a burocracia triplicara os altos postos de funcionarios e médicos distinguidos "atingiam os primeiros renques da sociedade luguesa. Agora era a era dos engenheiros. Dos cirurgiaos. Surgiam também grandes capitais burgueses. O comercio, a industria criavam umha nova aristocracia. O mesmo Fernández López pertencia a este estamento social, e era engenheiro de caminhos [...]. As velhas familias de gincia fidalga, alheadas as suas terras, perderam toda importancia, todo peso, na vida da capital. Ja nom eram os cónegos da catedral e os catedráticos do Instituto as veneradas persoas que eu conhecera nos meus anos da nenez". Durante a República iniciáronse algunhas obras que quedaron sen terminar, como a Praza de Abastos, a Escola Elemental do Traballo, e en Fingoi, onde se vai levantar o Colexio que vai dirixir, creáronse algúns pavillóns da Granxa Rexional Pecuaria. Comezouse a construción de edificios públicos como o Goberno Civil, o Museo Provincial, o Palacio de Xustiza, o Instituto Provincial de Sanidade, o Sanatorio Antituberculoso de Calde, a Residencia Sanitaria e o edificio para o Instituto Nacional de Previsión e o Ambulatorio. A instalación de dúas industrias cárnicas, o sector primario, a construción e os funcionarios eran o motor económico. Creáronse barrios fóra da muralla como o de Abuín e Domingo Tallo, á sombra de Industrias Abella e da Residencia Sanitaria; o barrio da Milagrosa e o Feijóo, pola instalación en Albeiros de Frigsa, creada polo INI e accionistas, como os Fernández, todos habitados por xentes do rural, a maioría empregados nestas factorías. As outras zonas de ensanche urbano foron a inmediata ao parque de Rosalía, coa chamada Cidade Cultural; na parte da Estación, o barrio de Burozos, e desde o convento das Salesas o barrio de Paradai. A burguesía local seguía vivindo no recinto histórico e tiña como lecer o paseo polo Cantón, a Alameda e pola rúa da Raíña, e no Méndez Núñez reuníase "umha brilhante representaçom da intelectualidade lucense". O ensino nos anos 50 A Escola de Maxisterio non tiña edificio propio facendo as prácticas na Escola Graduada de Nenos ou Grupo Escolar de Quiroga Ballesteros, proxectado en 1925 e inaugurado en 1931. O franquismo puxo especial atención en dotar de infraestruturas a Sanidade e a Educación. Nos últimos anos da década dos corenta construíronse, na chamada Cidade Cultural, as escolas Normais de Maxisterio e Instituto Masculino de Ensino Medio, e na década dos cincuenta fíxose o Instituto Feminino e a Escola de Comercio. O ensino privado era relixioso, para os homes o Seminario e os Maristas, e para as mulleres as Xosefinas, e naqueles anos establécese a Compañía de María. Ante este panorama Antonio Fernández quería o mellor colexio para os doce fillos que tiña e decidiu crear un para a familia e para os fillos das elites de Lugo, que se educasen de acordo coa súa formación e ideario. O Colexio de Fingoi Foi un centro singular autorizado e tolerado polo Réxime "por ser vos quien sois", dirixido por Carvalho Calero entre 1951 e 1965. Situado daquela no rural, no medio da natureza, cunha paisaxe fermosa por riba do Miño, a carón da casa do propietario que, como as instalacións foron proxectadas polo arquitecto Manuel Gómez Román, outro membro do Partido Galeguista. O edificio principal estaba inspirado nun pazo, con aulas, biblioteca, comedor, capela, dous campos de deportes, taller de oficios manuais, garaxe, laboratorio xeolóxico e edafolóxico en edificio á parte xunto ao parque de fruticultura, xardinería e forestal, estanque, zona de parcelas de horticultura para que os alumnos fixesen cultivos, e dependencias para aves, coellos, porcos e colmeas, todo o necesario para desenvolver un ensino mixto e laico, onde se aprendía sen libros de texto, seguindo os criterios da Institución Libre da Ensinanza. A educación era galega, con recitais e obras de teatro de autores galegos, actividades de danza e música tradicional, con saídas ao campo, viaxes durante o curso por Galicia e, ao rematar, fóra do país. Tratábase de galeguizar un ensino españolista, algo insólito naqueles anos da ditadura. O traballo intelectual de Carvalho Calero nos quince anos de Lugo foi magnífico. Fai a tese de doutoramento, escribe poesía, teatro e a Historia da literatura galega contemporánea. O seu círculo de amigos foi reducido pero selecto, Antonio Fraguas, Ramón Piñeiro, o médico e poeta Luis Pimentel, frecuentaba a casa de Celestino Fernández de la Vega, e a rebotica de Antonio Figueroa Mosteiro na rúa do Conde de Pallares, onde o retratou o pintor Tino Grandío.
PRAZA_14165
"É imposible competir con Corea", asegura Ignacio Naveiras, presidente do comité de empresa do estaleiro estatal, que aclara que Navantia nunca poderá a optar a contratos civís "sen apoio e contrapartidas políticas". "Non dicimos que non haxa acordos con Pemex, pero o dos quimiqueiros é un bluf de Feijóo", aclara.
Ignacio Naveiras, presidente do comité de empresa de Navantia en Ferrol, non é optimista pero si está convencido de que os estaleiros acadarán carga de traballo. "Non podo selo polo que poidan facer os responsables, pero si estou convencido de que a pelexa e a forza sindical dará resultados", asegura quen lembra que o veto da UE segue sendo o principal atranco que sofre a principal industria de Ferrolterra, unha terra afogada polo paro e a falta de futuro. A carga de traballo non chega aos estaleiros, as promesas de Pemex tampouco se concretan e agora Navantia anúncialles que lles suprime a paga de Nadal, como recibiron a noticia? Pois como unha mostra máis do comportamento desta empresa, que segue ao ditado do Goberno do PP e das súas instrucións dunha maneira cega e que non ten capacidade de decisión emrpesarial. Son só transmisores e lacaios da Administración. Non teñen liberdade nin capacidade de acción. Son monicreques, marionetas de quen os coloca. "Navantia é unha empresa lacaia do Goberno; non ten liberdade para nada, é un monicreque" Agardaban que lles aplicasen os mesmos recortes que aos funcionarios? Había tempo que se escoitaban cousas, pero non o agardabamos. Teñamos en conta que non sé é un problema económico para os traballadores, que tamén, senón para a comarca. Estamos a falar de entre 3 e 3,5 millóns de euros en paga de Nadal para Ferrolterra. É unha medida que afectará á hostelería, ao sector servizos, ao comercio ou incluso ao sector marisqueiro, porque nesas datas todo o mundo facía un esforzo por gastar algo máis. Pero hai máis... Que outra lectura hai? A estratexia do Goberno é profundar nunha política da dereita máis rancia, advertir da liña que se está a seguir e que se seguirá. Comezaron cos funcionarios, continúan coas empresas estatais e, feito isto, seguirán coas empresas privadas. É unha forma de dicirlle á xente: se recortamos aos funcionarios e ás compañías estatais, como non vos imos recortar a vós? O que non imos permitir é que as empresas auxiliares sigan ese camiño e se descolguen de convenios colectivos ou acordos salariais. De ser así, dirixiremos todas as nosas forzas a deter iso. "Será un outono quente e reivindicativo, pero tamén triste; o naval de Ferrolterra perdeu 1.600 empregos no último ano" En definitiva, que se prevé un outono quente... Será un outono quente, reivindicativo e triste. Xa é triste porque se eliminaron 1.600 postos de traballo desde hai un ano e hai moitos destes traballadores despedidos ou non renovados que están rematando os subsidios. Será unha etapa triste aínda que consigamos arrincarlle a este Goberno a tan prometida carga de traballo. E son optimistas respecto a conseguir esa carga de traballo? Non temos optimismo, pero si o convencemento de que o imos arrancar aínda que non nolo dean de boa gana. A base de mobilización, de sacarlle as cores a estes responsables políticos e ads contradicións e promesas incumpridas, imos ser quen de conquerila. O presidente da Xunta di que ou dique ou carga, pois non apostamos polas dáus cousas. O dique é unha reclamación que recuperamos como solución. Fomos nós os que lles abrimos os ollos aos responsables políticos, aos que convencimos e polo que logramos que a SEPI viñese aquí. Fáltanos a reunión definitiva, pero imos seguir pelexando para que se lle dea o OK. Non somos optimistas polo que poidan facer os que deberían ser os responsables, pero si estamos convencidos de que a nosa pelexa e a nosa presión conseguirá resultados. "Manteño o que dixen: Navantia non pode construír os quimiqueiros de Pemex, non podemos competir con Corea" Mantén vostede que os quimiqueiros de Pemex que Feijóo prometera para Navantia serán construídos en Corea? Mantemos que Navantia non pode acadar ese contrato porque nós non podemos competir cos estaleiros coreanos. E non porque non sexamos competitivos, senón porque en Corea contan con axudas gubernamentais, que están prohibidas na UE, e non teñen ningún tipo de regulación salarial nin laboral. Son mundos industriais completamente diferentes en canto á construción civil. Navantia está configurada para facer buques de alta complexidade, con alto valor engadido que precisan de empresas auxiliares mo formadas e compenetradas. Nós competimos na industria militar cos mellores estaleiros do mundo e o que precisamos é apoio político para ir defender as nosas unidades, que son as de maior calidade, como fixo Sarkozy en Francia. "Non podemos deixar a construción civil en mans da competitividade económica; precisamos acordos políticos coas contrapartidas que sexan" Sen apoio político é imposible conseguir un encargo? Claro. Para acadar un encargo civil, nós precisamos apoio político. Non podemos deixar isto en mans da competitividade económica porque somos un estaleiro inmenso onde, por exemplo, os custos de inicio de actividade xa serían moi difíciles de asumir fronte a outras ofertas. Precisamos facer 7 ou 8 buques para que sexa rendible. Iso sábenoos respondables da Xunta perfectamente. Sen un acordo político coa contrapartida que sexa para o país que demande buques, Navantia non pode competir. É demagóxico botar a pelota sobre Navantia, que ten moitas responsabilidades na xestión e na optimización de recursos, pero non no feito de non poder competir cos estaleiros asiáticos. Hai forma de competir con eles no futuro? A UE xa nos limita e na OCDE lévase moito tempo intentando eses países asiáticos se amolden a unhas normas como as nosas, pero é moi difícil loitar contra empresas como Yamaga, Daewoo ou Mitsubishi, grandes xigantes que tocan todos os paus industriais e que teñen o apoi gubernamental, incluso a través do accionariado. Esa é a trampa legal para subvencionalos e para nós é un mundo inaccesible. Daquela, é imposible competir? Nunca poderemos competir en prezo con eses estaleiros, pero non polos salarios que cobramos, que é a mensaxe que o Goberno quere enviar. A eliminación da paga extra forma parte desta estratexia e da intención de reducir soldos. Se dependese diso, teriamos que ir traballar case gratis, como os nosos avós, que só descansaban para comer e aos que as nosas avoas achegaban a comida en fiambreiras. E ese modelo cara ao que camiñamos, cara a condicións sociais e laborais de hai 60 ou 70 anos. "Quixemos desenmascarar de inmediato o 'bluf' sobre os quimiqueiros de Pemex; ese encargo nunca foi pensado para nós" Non hai solución para o naval? Ten algunha esperanza nos acordos entre Xunta e Pemex? Non estamos dicindo que non vaian aparecer solucións. Non estamos falando dos sete buques remolcadores nin de outros, falamos dos quimiqueiros porque sabemos que iso nunca foi para nós. Foi un bluf mediático que quixemos desenmascarar de inmediato porque soubemos hai tempo que nunca foi pensado para nós. Calquera outra opción, benvida sexa. Pero tamén dicimos algo: que se vaian conretando as promesas dunha vez. Aproban o traballo feito pola Xunta para conseguir carga de traballo? A Consellería de Industria, cando gobernaba o PSOE en Madrid, reclamaba moito, pero agora leva escondido meses e sen falar do naval. O conselleiro viña antes aquí a montar paripés co alcalde de Ferrol, mentres a Xunta prometía orzamento da Xunta para os estaleiros. E seguimos sen ter resposta. Incluso Rajoy, no seu discurso de investidura e ante millóns de persoas, faltou da sexta fragata para Navantia e o primeiro que fixo foi reducir os orzamentos en Defensa, ademais de anunciar as dificultades da Armada para pagar proxectos anteriores de Navantia. E isto non é unha broma porque pode provocar a quebra da empresa. O Exército está reducindo á mínima expresión as reparacións mentres anuncia problemas para liberar os cartos destinados aos estaleiros... É para botarse a tremer. Isto non ten boa pinta. Achegándonos xa ás eleccións autonómicas, ben seguro que as promesas chegarán. Vostedes sempre se queixan de ser usados electoralmente por todos os partidos. É algo recorrente en Ferrol. Somos a principal empresa da comarca e agora empezarán os partidos a facer promesas e a meterse na lama. A nós non nos poden acusar de partidistas porque nos maltrataron todos os partidos e sacamos as cores a todas as formacións. Sufrimos esta utilización porque neste país estamos nunha campaña electoral constante. Sei que o PP é o partido que se sente máis aludido, pero temos que dirixir a nosa presión cara a eles porque gobernan todo. Gobernan Ferrol e Fene, a Deputación da Coruña, a Xunta e o Estado. Con razón diriximos cara a eles as nosas reivindicacións e todo o noso rancor. É o ABC. O PP dixo que tiña solucións, prometeu algunha delas pero seguimos igual que hai un ano, cando nin tan sequera gobernaban en Madrid.
NOS_23198
A maioría sindical vasca, que pivota nas centrais nacionalistas ELA e LAB, e 50 colectivos sociais convocarán un paro de 24 horas, o cuarto que se fai nese país nos últimos catro anos
Os sindicatos ELA, LAB, ESK, STEE-EILAS, Hiru, CGT e CNT, alén de medio cento de colectivos agrupados na plataforma Gune, van chamar á Folga Xeral en Euskal Herria, segundo informa Naiz. A data que se está a barallar para este paro é o 30 de maio, aínda que todas as partes teñen que dar o visto bo a que sexa nese día. A folga convocarase, segundo o dixital vasco, "contra a política neoliberal dos gobrnos e contra os recortes dos dereitos laborais e sociais". O propio secretario xeral de ELA, Txiki Muñoz, recoñecía que había "motivos de abondo" para esta nova convocatoria. En setembro de 2012, Euskal Herria xa foi escenario dunha folga xeral convocada pola maioría social. En catro anos nese país houbo seis folgas xerais
PRAZA_2994
Aquela sociedade na que os cidadáns tiveren formación como consumidores e se asociasen como tales para coñecer con fundamento os produtos que queren comprar, subiría un chanzo na mellora colectiva
A Organización de Consumidores e Usuarios publicou en maio unha análise de cremas faciais, con algunhas de supermercado, a tres euros e pico, cuxa calidade era superior a todas as demais de prezos máis altos. De paso solicitaba que se retirasen as dos laboratorios Isdin e Babaria, porque tiñan un factor de protección inferior ao que indicaban na etiqueta.As marcas cuestionadas denunciaron o estudo e os organismos ministeriais déronlles a razón. Xosé María Torres, unha persoa do sector, escribiu un artigo moi crítico coa OCU en La Voz de Galicia, no que viña a dicir que ninguén dá pesos a catro pesetas e que a asociación quería comportarse como un Robin Hood xusticeiro. Un lixeireza intolerábel, dicía, porque se trata de cremas pediátricas, cuxos efectos negativos teñen tanta transcendencia para a saúde como os dos medicamentos.Daquela escribín aquí mesmo unha columna titulada Eloxio da OCU onde alegaba que é posíbel o erro da análise, e non só iso: a presión das empresas sobre as asociacións de consumidores pode ser certa, concreta, pero que en xeral, testado coa propia experiencia, as análises da OCU son precisas e certamente, unha lavadora anunciada como de alta gama, e por tanto moi cara, pode ser mala, mentres que outras, baratas, figuran entre as mellores. Iso repítese con todos os produtos e en todas as análises. Sen excepción. Cavas de dous euros, ou de oito, superiores aos de vinte. Deficientes estufas de pellets a tres mil euros, fronte a outras de mil cincocentos que se comportan extraordinariamente. O mesmo acontece cos televisores,os teléfonos e as conservas.A publicidade é engado, sedución para o engano. Aquela sociedade na que os cidadáns tiveren formación como consumidores e se asociasen como tales para coñecer con fundamento os produtos que queren comprar, subiría un chanzo na mellora colectiva. O corenta por cento do prezo final dun automóbil é o que lle custa á empresa convencer o comprador.A Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios (AEMPS) ordenou a retirada das cremas de Isdin e Babaria despois de realizar análises propias.
NOS_22722
A Associaçom Galega da Língua (AGAL) conmemora os 40 anos da súa fundación homenaxeando os pioneiros do reintegracionismo moderno.
Este domingo, 19 de decembro, fanse 40 anos da realización no Centro Don Bosco de Santiago de Compostela da primeira asemblea da Associaçom Galega da Língua (AGAL). Naquela data, sinala a entidade nun comunicado, 50 persoas botaban a andar un proxecto chamado a mudar o rumbo da lingua no que supuxo o comezo do movemento reintegracionista moderno e do desenvolvemento sistemático desta escrita. Daquel encontro saíu o primeiro Consello da entidade, presidido por Xavier Alcalá. A coincidir con este aniversario, a Associaçom realiza este domingo un acto de homenaxe que, naquel mesmo lugar, reunirá as e os actuais membros da AGAL. Na asemblea deste 19 de decembro nomearanse como socios de honra os profesores José Luís Rodríguez, José-Martinho Montero Santalha e Isaac Alonso Estravis, fundadores e aínda membros activos da AGAL. A continuación, inaugurarase, na presenza de representantes de diferentes colectivos e institucións, unha placa conmemorativa no exterior deste centro a lembrar o acto fundacional cos nomes das 40 persoas que promoveron en 1981 a entidade. Cápsula do tempo Ademais, no interior do recinto enterrarase unha cápsula do tempo que recollerá as avaliacións das persoas participantes sobre a situación actual da lingua galega e mais unha previsión da mesma en 2081. Ese é o ano no que se prevé abrir esta cápsula, a coincidir co centenario da AGAL. O contedor acollerá textos inéditos que só se darán a coñecer dentro de 60 anos, e poderá conter tamén obxectos que se consideren representativos da actual situación da lingua no país. O día continuará cun xantar no que intervirán diferentes socias e socios fundadores a lembrar aquel momento fundacional e a recoñecer o traballo de toda unha vida desenvolvido por José Luís Rodríguez, José-Martinho Montero Santalha e Isaac Alonso Estravis no seo do reintegracionismo. O proceso de fundación da AGAL foi impulsionado por un numeroso grupo de persoas, moitas delas discípulas de Ricardo Carvalho Calero. Xavier Alcalá, José Luís Rodrigues, Aracéli Herrero, Xosé Ramón Pena, José Martinho Montero Santalha, Maria do Carmo Henríquez Salido, Joám Trilho, X. Rodríguez Baixeras, António Gil, José Maria Monterroso Devesa, Joám Carlos Rábade Castinheira, Joaquim Campo Freire ou Manuel Miragaia Doldám aparecen como algúns dos nomes máis destacados daquel proceso, sinala a AGAL nun comunicado enviado aos medios. Destacan desde a entidade que, "aínda que algúns deles se desvincularon do colectivo co tempo, sorprende como, logo de 40 anos de traxectoria, moitos continúan vencellados ao proxecto e á causa lusista, ademais de ser fundamentais no desenvolvemento doutros proxectos do movemento reintegracionista". Na foto: Presentación da AGAL na Coruña, 20 de novembro de 1981. Xavier Alcalá, António Gil, José-Martinho Montero Santalha e José Maria Monterroso Devesa.
NOS_22756
A CIG alerta dunha maior redución orzamental e de efectivos após coñecer o Plan de Esquilibrio Orzamentario deseñado pola equipa de goberno da universidade.
Co inicio dun novo ano académico a equipa de goberno da USC presentou o seu Plan de Equilibrio Orzamentario para 2014-2015. Desde a Confederación Intersindical Galega, Persoal Docente e Investigador (PDI) e Persoal de Administración e Servizos (PAS) alertan da "descapitalización" e dos "efectos devastadores" que carrexará a medida. Aliás, denuncian as reducións orzamentarias desenvolvidas nos últimos tres anos e que supuxeron a queda dos salarios e unha importante perda de peroal. Neste senso, nos últimos 3 anos a USC viu reducido o seu cadro de Persoal Docente e Investigador (PDI) en 184 efectivos. De 2.304 en 2010 a 2.120 no 2013. Un recorte que se sumou á redución de 50 millóns de euros nos orzamentos e un recorte de 33 millóns aplicado pola propia universidade --através de medidas de aforro-- que precarizaron as remuneracións salarias do persoal contratado con reducións nas nóminas, conxelacións salariais e pagamentos extraordinarios. O persoal investigador podería pasar de 1.000 a 600 persoas de se aplicar o Plan de Equilibrio Orzamentario Os recortes de persoal aplicáronse tamén na taxa de reposición para PDI, situada no 10%, e que podería manterse nesta porcentaxe durante os vindeiros anos como lle informou á CIG a xerencia da USC. Aliás, prevese que a contratación de persoal investigador pase de 1.000 a só 600 persoas de se aplicar o Plan de Equilibrio presentado. Un Plan de Financiamento para o SUG A perda de persoal, afirmou a representante da central sindical nacionalista, Alba Nogueira, é "sumamente lesiva" e "terá graves consecuencias nas propias titulacións" pois os recortes, din, "son devastadores para a prestación do servizo público universitario". Neste senso, desde a CIG demandan explicacións da USC a respeito das titulacións universitarias e mestrados que puidesen desaparecer por non contar con profesorado suficiente para impartir aulas. Titulacións e mestrados poderían desaparecer por falta de profesorado Desde a central sindical nacionalista aseguran que "o problema da USC é un problema de financiamento" que devén dos recortes implementados pola Xunta de Galiza que "non ingresa" á institución parte do seu orzamento. Perante esta situación sinalan como solución que se exixa un Plan de Financiamento das universidades que teña en conta, no caso da de Santiago, os gastos en mantemento de edificios históricos, do arquivo e mesmo o gasto extra de salarios que supón ter un persoal cunha media de idade superior ao de outras universidades.
NOS_58356
Nunha carta á Alta Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, consideran "nefastas" as consecuencias que están a ter na loita contra o coronavirus.
Unha decena de países pediron por carta á Alta Comisionada de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Michelle Bachelet, que fortaleza as súas xestións a favor da retirada dunhas sancións que, ademais de "ilegais", consideran "xenocidas" polas "nefastas" consecuencias que teñen na loita contra o coronavirus. "Pedímoslle que inclúa na actual resposta prioritaria á epidemia da COVID-19 a necesidade de levantar as medidas coercitivas unilaterais, xa que afectan os dereitos humanos fundamentais", sinalan. Cambodja, China, Cuba, Corea do Norte, Irán, Nicaragua, Rusia, Siria, Venezuela e Cimbabue asinan a carta datada o 21 de abril en Xenebra e dirixida a Bachelet. Os asinantes insistiron en que as sancións económicas e financeiras constitúen "unha violación flagrante do Dereito Internacional e da Carta das Nacións Unidas", apuntando ademais a súa "natureza inmoral e inhumana" porque funcionan "a expensas dos Dereitos Humanos", especialmente do dereito ao desenvolvemento. Denunciaron ademais que no actual contexto de pandemia "as restricións financeiras e bancarias, así como as amplas sancións secundarias impostas a diferentes sectores económicos dos países afectados, privaron a esas nacións dos seus propios recursos financeiros, por unha banda, e impedíronlles importar produtos básicos que salvan vidas, como equipamento médico, pola outra". Cooperación internacional Igualmente, sostiveron, "están socavando gravemente a cooperación internacional para frear a pandemia e tratar os pacientes", porque "tamén afectaron negativamente os esforzos das organizacións internacionais pertinentes para axudar a estes países a responder ao brote, en particular, á adquisición oportuna de equipamento médico". "Ningún país por si só pode responder á epidemia", afirmaron, e engadiron que o labor colectivo é a única forma de deter esta epidemia e protexer a poboación de todo o mundo". "A solidariedade e a cooperación entre todos os Estados é esenciais para responder á pandemia da COVID-19", afirmaron.
NOS_22479
Sen a desgubernamentalización dos meios de comunicación públicos da Galiza non é posíbel falarmos dunha democracia merecente de tal nome, veu dicer esta segunda feira o candidato da Marea á presidencia da Xunta.
Villares compareceu esta segunda feira en Compostela en conferencia de imprensa perante os meios para dar a coñecer as iniciativas que un eventual goberno galego en mans da Marea tomaría en relación á radio e a televisión públicas da Galiza. "Os meios públicos agardan polo seu 15M, querémolos democráticos, non submetidos ao capricho do goberno", puxo en destaque o candidato da confluencia de Podemos, EU e Anova e plataformas municipalistas. A Marea propón racionalizar os salarios dos membros do Consello de Administración da antiga CRTVG, hoxe corporación, ben como impulsar un Estatuto profesional das traballadoras e dos traballadores destes meios e un Consello de Informativos da CRTVG. A Marea ten a intención de impulsar unha reforma da Lei de Meios Audiovisuais da Galiza Para materializar todo isto, a Marea ten a intención de impulsar unha reforma da Lei de Meios Audiovisuais da Galiza, pactada no seu día por PP e PSdeG, visando tornala "máis democrática e garantista". "Comunicar é un dereito. Recibir unha información veraz, tamén, e para iso temos meios públicos na Galiza, non para que Feijóo lle devolva favores aos seus amigos nin para que lle aforre cartos ao Partido Popular pagando outra vez con cartos públicos a súa campaña eleitoral. Porque iso é o que vén facendo dende hai algunhas semanas cunha campaña indigna e innecesaria porque é A Xunta Informa", afirma Villares. Medidas de normalización do galego A Marea tamén aspira a desenvolver políticas desde o goberno galego visando o cumprimento por parte de operadores privados (exemplo paradigmático, as emisoras de radio que explotan o espazo radioeléctrico público) dos compromisos adquiridos coa administración en relación ao uso da lingua galega. Ese cumprimento non lle está a ser exixido por parte do goberno Feijóo, denuncia Villares.
NOS_30535
Majorité Opprimée achéganos a nova imaxe do Xan de Rosalía de Castro. A curtametraxe arrasou na rede, poñendo o "mundo ao revés". Como ela, atopamos outros exemplos de traballos que, á maneira de Rosalía co seu Xan, denuncian o machismo.
A cineasta Eléonore Pourriat, actriz, guionizadora, directora da curtametraxe Majorité Opprimée non podería imaxinar que este traballo con data de 2010 se ía converter agora no último mes de febreiro nun fenómeno viral na rede tal e como foi comentado por Paula Coccoza A curta fora premiada na categoría de mellor filme internacional no Festival Internacional de cinema Molodist de Kiev no 2010, ese mesmo ano foi seleccionada para participar nos festivais: Seminci de Valladolid, no Francófono de Namur, no filme de Estocolmo; no 2011 exhibiuse no Festival de curtas de Toquio (Short Shorts), no de Bruxelas, no Festival do filme Francófono de Viena, no de curtas de Nijmegen (Go Short) nos Países Baixos. Agora You Tube e substítulos en inglés revitalizan unha historia que se conta en só dez minutos, os suficientes para facernos pensar, para espertar en nos a crítica aguda e aterrar na realidade cotiá e dura, esa opresión diaria que sofre unha maioría, tamén no mellor dos mundos posíbeis. Se Rosalía de Castro nos ofrecía a falta de comprensión á que se enfrontaba o protagonista do poema Xan en Follas Novas, agora salvando as distancias, Xan muda o seu nome polo de Pierre, e ofrécenos un día na súa vida desde que sae da casa para levar o neno á escola infantil até a noite, unha xeira visibiliza toda a violencia que somos capaces de observar, de sufrir e de negar. Isto é o interesante da proposta: cando hai mudanza de papeis, mudanza de pel pode a maioría non oprimida deixar de negar a opresión da maioría? Pode a maioría oprimida ser totalmente consciente da súa opresión? Pode a maioría non oprimida identificar opresor e opresión? A directora, feminista, contesta con este traballo á dúbida que pode cuestionar a necesidade do feminismo nun momento en que os dereitos das mulleres perigan, un guión que naceu da súa propia experiencia vital. Un guión que procura a identificación co protagonista que (con)move nesa escena final e xa non hai lugar para o riso, esa violencia psicolóxica que condena á maior das soidades, que chama pola culpa. Cando Pierre sofre olladas de acoso, cando Pierre é observado como un obxecto, cando a Pierre lle din cousas lembramos moitas historias reais como a vida mesma. No 2012 a estudante Sofie Peeters co seu breve documental Femme de la rue provocou que as agresións verbais de xénero, esa violencia á que se lle dan as costas, tan cotiá, fosen noticia en Bruxelas e denuncia. Hoxe coma sempre, mais hoxe aínda son precisos traballos coma este, arte comprometida coa historia da maioría oprimida, mensaxes que denuncien desde a violencia verbal, motivo de mofa tantas veces, até a violencia da violación máis terríbel. Traballos como coma este Lo Roim Alaich ( Invisíbel) da directora israelí Michal Aviad recoñecida na Berlinale 2011 co premio Panorama é que nos enfronta co tema tabú da violación, coa interiorización do problema: calar e vivir despois dunha violación. Da curta de Pourriat falouse en toda a prensa, o fenómeno é tema de artigos e espállase pola rede. De recente actualidade en Francia é a fita Jacky au Royaume des Filles de Riad Sattouf, recoñecido autor francés-sirio de banda deseñada de quen recomendo o seu Pascal Brutal na popular e crítica publicación mensual Fluide Glacial. Na pantalla ofrécesenos unha visión do mundo "ao revés", que obriga a cuestionar os estereotipos que actúan socialmente cando se pensa en "home" ou "muller". Filme de riso fácil para pasar unha boa tarde en que o seu director pretendeu ofrecer unha nova visión sobre a historia de Cendrillón. Non sei se a estrea do filme e o éxito asegurado do mesmo, partíase do recoñecemento de Riad Sattouf, das boas críticas dos seus traballos anteriores, non sei se o apoio mesmo da ministra dos dereitos das mulleres Najat Vallaud-Belkacen, que o acompañou nun debate público, activou a rede na procura desa maioría oprimida de Pourriat. Na rede outra intensa e, se queredes, violenta denuncia que se ve no vídeoclip Crawling On The Ground de Anita Drake. Ver todo videoclips Anita Drake A mudanza de papeis, o mundo do revés, que Rosalía de Castro retrataba tan ben no seu poema Xan segue a estar de actualidade, como denuncia. Fagamos que o poema de Rosalía de Castro tamén se lea millóns e millóns de veces, como denuncia, que se converta nun viral.
PRAZA_2958
Córsega está camiño de converterse de novo nun referente na loita pola autodeterminación dos pobos europeos como xa o fixera no sec. XVIII, protagonizando unha das primeiras revolucións burguesas.
O pasado 13 de decembro millóns de franceses e europeos respiraban aliviados ao ver como a Fronte Nacional de Marine Le Pen ficaba ás portas de lograr o poder nalgunha das 17 rexións francesas. No estado español os medios centráronse no avance do FN e nas pírricas vitorias do Partido Socialista e os Republicanos. Porén, pouca atención se lle deu á histórica vitoria da candidatura nacionalista en Córsega que logrou ser a forza máis votada na illa e formou goberno por primeira vez na historia. A pesar das importantes diferencias e as loitas cainitas das últimas décadas, os diferentes partidos do nacionalismo e independentismo corso foron capaces de crear unha lista unitaria vitoriosa, Pé a Corsica. Os resultados obtidos foron mellores do esperado, 52.000 votos na segunda volta, dobrando a porcentaxe da primeira volta até chegar a un 35%, 7 puntos por riba da candidatura socialista. Estes resultados déronlle á coalición nacionalista unha maioría simple bastante forte, 24 dos 49 escanos da Asemblea Corsa e, sobre todo, un mandato democrático para lograr unha maior autonomía política e financeira, un desenvolvemento máis sustentable da illa e a normalización da lingua corsa. A vitoria de Pé a Corsica é a consumación de décadas de loita pola autodeterminación da illa. Loitas que comezaron nos 60 coas protestas polo subdesenvolvemento histórico, a emigración masiva ao continente e a chegada de 17.000 colonos "pied noires"de Alxeria. Nos 70, 80 e 90 esta inestabilidade tornou violenta coa creación da Fronte de Liberación Nacional Corsa que protagonizou ducias de sabotaxes e accións terroristas tanto na illa como no continente. Con todo, en xuño de 2014 o grupo armado anunciou un proceso de desmilitarización e saída da clandestinidade. Este paso é chave clave pra entender a vitoria nacionalista nas eleccións e a creación dunha lista unitaria entre autonomistas e independentistas. O horizonte que se abre na illa é incerto, Pé a Corsica non ten maioría absoluta e as forzas centralistas xa comezaron unha campaña contra o goberno nacionalista, por, entre outras cousas, empregar a lingua corsa na Asemblea da illa. Hai que recordar que en outubro o Senado francés rexeitaba ratificar a Carta Europea das Linguas Rexionais que permitiría unha mínima protección para as linguas do estado francés (Corso, Occitano, Vasco, Bretón, Alsaciano, Catalán, Arpitán, Flamenco). Por outra banda, iniciativas como unha maior devolución de poderes, a unificación dos tres departamentos nos que se divide a illa ou a amnistía aos membros presos da FLNC terán que ultrapasar a resistencia da dereita e a esquerda centralista. Con todo, os nacionalistas corsos terán so dous anos por diante cunha maioría relativa pra cumprir as expectativas dos votantes. Na Escocia o SNP, cunha minoría máis pequena, foi capaz de gobernar efectivamente e converterse en menos de dez anos no partido hexemónico. O desafío é ben grande, mais tras décadas de gobernos de socialistas e republicanos, unha gran parte da cidadanía corsa ve este novo goberno con esperanza. Córsega está camiño de converterse de novo nun referente na loita pola autodeterminación dos pobos europeos como xa o fixera no sec. XVIII, protagonizando unha das primeiras revolucións burguesas. Desde Galicia, visto o panorama, aos nacionalistas non nos queda outra que mirar con envexa ao goberno corso e aprendermos da súa experiencia.
PRAZA_16340
A empresa de Raúl López renunciou á súa concesión anterior pero o Goberno galego volveulla outorgar obrigando só a prestar o servizo con transbordos en Pontevedra. A empresa só fará o servizo directo os venres entre Lugo e Vigo e os domingos entre Vigo e Lugo. En Marea e BNG reclaman á Xunta que deixe de recortar liñas de bus e atenda as necesidades da cidadanía e non das empresas HEMEROTECA | Monbus, principal beneficiaria das novas liñas de bus da Xunta, obtén un de cada catro contratos
En Marea e BNG reclaman á Xunta que deixe de recortar liñas de bus e atenda as necesidades da cidadanía e non das empresas HEMEROTECA | Monbus, principal beneficiaria das novas liñas de bus da Xunta, obtén un de cada catro contratos As cidades de Vigo e Lugo deixan de estar unidas por un autobús directo e diario. Así o vén de establecer a Xunta no marco da reestruturación progresiva das liñas de transporte por estrada que está a implantar en toda Galicia e que, máis alá das principais áreas metropolitanas, está a supor unha supresión xeral de servizos. A empresa de Raúl López renunciou á súa concesión anterior pero o Goberno galego volveulla outorgar obrigando só a prestar o servizo con transbordos en Pontevedra. A empresa só fará o servizo directo os venres entre Lugo e Vigo e os domingos entre Vigo e Lugo. O servizo de bus entre Lugo e Vigo viña sendo prestado por Monbus, o grupo propiedade de Raúl López, investigado no caso Cóndor e principal operador de transporte por estrada de Galicia. Ao igual que fixeron outras empresas con outras liñas de ámbito comarcal, Monbus renunciou a varias das concesións que tiña argumentando que non eran rendibles, o que fixo que a Xunta volvese licitalas con outras condicións e Monbus volvese resultar o principal receptor desas novas concesións. O mesmo sucedeu con dúas grandes liñas interurbanas, entre A Coruña e Vigo e entre Lugo e Vigo, con ramais, que estaban en mans de Monbus. A empresa renunciou a elas, a Xunta sacounas a concurso e Monbus volveu gañalas. Porén, malia que a concesión se denomina Lugo-Lalín-Pontevedra-Vigo e o servizo directo entre Lugo e Vigo viña prestándose de xeito diario, a Xunta suprimiuno por completo das novas condicións da liña, pasando a reclamar só unha "coordinación e garantía de ligazón das expedicións Lugo-Pontevedra [...] coas Pontevedra-Vigo", o que na práctica supón ter que facer transbordo en Pontevedra. Malia que as novas condicións impostas pola Xunta non obrigan a ningún servizo directo entre Vigo e Lugo, de momento Monbus si o prestará, sen ter que realizar transbordo en Pontevedra, en sentido Lugo-Vigo os venres e en sentido Vigo-Lugo os domingos. Este diario preguntou á Xunta polos motivos da supresión dos servizos directos entre Vigo e Lugo pero ata o momento non obtivo resposta.
NOS_38748
A literatura é, tamén, un síntoma da historia. As marcas da febre xerada polos acontecementos. O rexistro inconsciente, ou non, do conflito político. Traballos perdidos da linguaxe. Todos estes factores, e outros moitos, confluíron hai 40 anos en Dos anxos e dos mortos, a primeira novela de Anxo Rei Ballesteros (Boqueixón, 1952- A Coruña, 2008) e unha das novelas chave da transición ao posfranquismo en Galiza.
"Foi unha novela viva, construída coas vivencias cotiás. Anxo líanos fragmentos cando estabamos de tazas por Santiago". Quen fai memoria é Marcelino de Santiago, Kukas, dramaturgo hoxe popular polo seu traballo con monicreques e, na década dos 70, integrante con Rei Ballesteros do Fato de Oniristas Galegos. Este "variopinto" grupo de artistas procuraban, sobre todo, que "a vida e a arte non estivesen separadas". As convulsións sociopolíticas -a ditadura esboroábase- e a iniciación a unha existencia liberada conforman o pano de fondo de Dos anxos e dos mortos. Obra de protagonismo mozo e colectivo e con vontade de ruptura estética, escrita por un anarquista confeso, era, considera Kukas, "un froito máis naquela festa cultural e ideolóxica". Malia a violencia ambiental da época, as lembranzas reconstrúen un tempo vizoso, intenso, de caos e descubrimentos. Diso trata, tamén, a novela. "Anxo Rei abriu a literatura galega a novas formas de pensamento prosístico e axudou a que acordase de certo letargo histórico", considera Roberto Abuín, editor do ensaio póstumo A presenza dunha ausencia (2013) no seu selo Axóuxere, "causado non só polo franquismo senón tamén por tendencias críticas e literarias esencialistas". Como Kukas, que cualifica de "explosión tremenda" a aparición de Dos anxos e dos mortos nunha paisaxe dominada por Cunqueiro ou por relatos curtos derivados da prosa de Castelao, Abuín salienta que Rei Ballesteros "sen ser excesivamente asertivo, si quixo fracturar a literatura galega". É o que denomina "radicalismo discreto" do autor. A procura dunha linguaxe faulkneriá, que continuaría en Loaira (1992) -unha radicalización da exploración efectuada no seu debut e con personaxes compartidos-, obsesionaba o escritor, engade Abuín. Non era este o único trazo que o emparentaba cos intentos da Nova Narrativa Galega vinte anos antes. Memorias de Tains (1956), a segunda das dúas pezas coas que Gonzalo Rodríguez Mourullo abalou a literatura galega antes de desaparecer como escritor, era moi querida por Rei Ballesteros. "Dos anxos e dos mortos supuxo a primeira innovación salientábel do sistema literario galego despois do xurdimento da Nova Narrativa", entende a investigadora Lorena Paz, que traballa na tradución ao inglés de pasaxes de Non sei cando nos veremos (2005), a derradeira novela do autor. "Os personaxes perdidos e desarraigados, o uso do monólogo interior e a obsesión polo tempo subxectivo", esténdese, "recollen dunha maneira nova o ambiente de incerteza que atravesaban Compostela e Galiza a finais dos 70". Ese xeito de narrar complexo e, ás veces, tenue, equívoco, indeterminado, é o que o editor Carlos Lema sinala como "extraterritorial". "El escribe desde unha posición que non é un territorio, que non mantén, senón que é inestábel", di, "ao tempo que, en toda a súa obra, intenta crear unha retórica achegada á oralidade. El interprétaa, a partir dunha lectura de Heidegger, como fonte de autenticidade". Lema publicou en Galaxia Non sei cando nos veremos e o ensaio "de altura" Tempo e vinganza: ensaio sobre Hamlet (2003). Tamén encargou a Rei Ballesteros a tradución -"extraordinaria"- de Molloy (2006), de Samuel Beckett. "El quería que a literatura abandonase a súa posición de poder, quería saír do discurso", afirma. E acerta a definir: "Foi un autor moi do século XX, diso que os anglosaxóns chaman Modernismo. Mais na literatura de hoxe en día dominan outras retóricas". Afastadas desa aposta contundente por, en palabras de Roberto Abuín, "remexer nas tramas fundantes da literatura galega". En Dos anxos e dos mortos, e máis tarde en Loaira, opera unha crítica da historia case en tempo presente. Eran os días en que, segundo Kukas, se pasaba "da ditadura á ditabranda", "días difíciles e complicados". El propio lembra como lle aplicaron lexislación antiterrorista por "facer monicreques na rúa". Sobre esa materia real edificou a súa primeira ficción publicada Anxo Rei Ballesteros. "Esa novela é fundamental para entender un tránsito", considera Roberto Abuín, "marca un antes e un despois de igual xeito que Seraogna [libro de poemas de Afonso Pexegueiro de 1976]". Se Lorena Paz tamén sitúa o traballo de Rei "nun momento crucial para a sociedade galega e española", a saída do franquismo, non todas as consultadas comparten a percepción historicista. Para Carlos Lema, non existe "relación de causa efecto" entre a época e a escrita. "O contexto político social é un recurso máis do escritor. Todo tempo é tempo de cambio. Non hai tempos máis convulsos ca outros", declara. E, no entanto, Dos anxos e dos mortos é tamén o documento crítico e desencantado dunha sociedade a piques de encetar un camiño aberto. É unha narración en que as voces baixas da historia adquiren presenza en primeiro plano. E na que a rebeldía dos novos alimenta a resistencia contra a normalización vital. O rastro de Anxo Rei Ballesteros na literatura galega parece, porén, esluírse. Esa é a percepción de Lorena Paz, que sinala mesmo as dificultades de atopar as súas obras na libraría. "Non é un autor de cabeceira das novas xeracións de escritoras e escritores", opina. Algo semellante considera Roberto Abuín, moi achegado ao autor de A sombra dos teus soños (1998) nos seus últimos anos. "A súa escritura era complexa, e o tipo de, por así dicilo, cristalización simbólica que el defendía tivo máis recepción entre a crítica e os teóricos ca entre os lectores". Rosalía de Castro explicou no limiar a Follas Novas que escribía para un pobo que aínda non existía. Cando Rei Ballesteros se decidiu por facer en galego unha literatura á marxe das correntes estéticas dominantes, relata Abuín, facíao porque así "sementaba un posíbel futuro". O que aínda estaba por vir en 1977 e non está claro se xa chegou.
PRAZA_14892
A perda de poder de compra da maioría social achegarase ao 7% a finais de ano, ao tempo que as compañías incrementan a súa ganancia en canto ao reparto das rendas.
A crise rebaixa o poder adquisitivo dos traballadores. A moderación nos salarios, unido ao incremento nos prezos, está a provocar un desprazamento das rendas destes traballadores ás empresas. En definitiva, que as compañías están a gañar marxe a expensas da maioría social, tal e como relata unha información da Cadena Ser. Os salarios medran só un chisco desde 2010, mentres os prezos están a subir máis Así, desde o ano 2010 os salarios medraron un chisco nominalmente, pero os prezos están a subir máis polo que os traballadores teñen menos poder de compra. Segundo os datos que se tiran do INE, un 4,4% menos que nos dous últimos anos, un descenso que a final de 2012 achegarase ao -7% se os soldos e o IPC continúan ao ritmo actual. Deste xeito, a marxe das empresas aumenta, aínda que isto non indica que se converta directamente en beneficio, xa que tamén se pode dedicar a investimento. No entanto, as cifras de Contabilidad Nacional amosan tamén que o gasto en investimento está a retroceder nestes últimos anos sen excepción ningunha. O 41,7% das rendas estaba en mans das empresas en 2007; agora teñen o 44,7% Polo tanto, desde o comezo da crise as empresas están a incrementar a súa ganancia de peso en canto ao reparto das rendas fronte aos traballadores. Mentres que en 2007 o 41,7% das rendas estaba en mans das empresas, a mediados de 2012 a porcentaxe era xa do 44,7%, tres puntos máis. As compañías, que son moitas menos que antes da crise, estanse a repartir un cacho máis grande da tarta aínda hoxe en día. Segundo conta a Ser, estas cifras supoñen o paso á economía real da devaluación interna que solicitan unha e outra vez institucións internacionais, organizacións empresariais e o propio Banco de España. A súa fórmula é clara: xa que non se pode devaluar a moeda, hai que baixar os salarios para gañar competitividade e que baixen os prezos. Só os traballadores cumpren con ese pacto implícito para a devaluación interna; só os salarios e a capacidade adquisitiva dos traballadores baixan Pero os prezos seguen subindo, principalmente por mor dos combustibles e a suba de impostos, pero tamén por unha terceira razón: as empresas están aumentando a súa marxe. En definitiva, só os traballadores cumpren con ese pacto implícito que supón a devaluación interna e que implicaría que todos fixesen un esforzo para conter os prezos e que o estado fose máis competitivo no exterior. Só a maioría social cumpre co seu, mentres unha minoría segue gañando e beneficiándose da mala situación económica. Os expertos, tal e como se lembra na reportaxe, piden que se repare nun detalle: Que importa que se reduzan os custos laborais e ao empresario lle sexa máis beneficioso producir e aumentar o excedente cando os salarios baixan e o que producen non o pode vender porque caeu a demanda? Pois iso.
NOS_5902
Tamén o ex presidente da comunidade autónoma de Madrid, Joaquín Leguina, asociou a Mas coa memoria de Companys, fusilado por Franco despois de ser entregado pola Gestapo.
O españolismo está a descarregar todas súas baterías dialécticas, de groso calibre, contra o presidente da Generalitat. Esta mañá, o ex portavoz do goberno español Miguel Ángel Rodríguez -ocupou o seu cargo durante o primeiro goberno Aznar- afirmou na súa intervención no programa de Antena 3 TV Espejo Público que "Mas quer ser vítima de alguén e como non lle fai caso ninguén, está desesperado". A seguir, engadiu: "O que lle falta é un fusilamento, entón estaría estupendo". A condutora do programa reprochoulle levemente o comentario a Rodríguez -"ai, que bruto es!"-, mais o ex portavoz de Aznar non se deu por aludido e continuou: "El [por Mas] o que quer é iso, porque o ridículo que fixo é xa moi difícil de superalo. Calquer político nestas circunstancias ía para a súa casa. Dígoo de verdade (...). El está aínda aí a ver se alguén do Goberno se equivoca. El quere os canóns alí. A Garda Civil, que o deteñan". A afirmación de Rodríguez prodúcese xusto no día en que se comemora o 74 aniversario do fusilamento de Companys. Tamén o ex presidente da comunidade autónoma de Madrid evocou a imaxe dun presidente da Generalitat fusilado, Lluis Companys, executado polo goberno franquista após ser entregado aos golpistas pola Gestapo. #ArturMas, como los niños malcriados, está pidiendo a gritos un par de "bofetadas" políticas, para luego hacerse el mártir como Companys.— Joaquín Leguina (@LeguinaJ) 14 outubro 2014
NOS_57422
Hai setenta anos, o 22 de xuño de 1949, eran asasinados pola acción dun infiltrado nos montes da Penacova en Remesar, Bóveda, os guerrilleiros Bernardo Álvarez Trabajo "O Gasta" e Manuel Fernández Soto "Coronel Benito". Semanas máis tarde aparecía o cadáver de Elías López Armesto "O Paxariño", o outro membro do comando que saíu mal ferido da emboscada.
Foi un golpe definitivo que rematou coa guerrilla na Ribeira Sacra. A caída da Penacova, en xuño de 1949, veu precedida de importantes golpes represivos en toda a zona ao longo de 1949 contra os membros das unidades antifranquistas da II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza. O 24 de febreiro un grupo de sete guerrilleiros dislocouse á localidade estremeira de Ocero para manter unha cita cun enlace co fin de levar adiante un golpe económico. Porén o antigo colaborador mudara en confidente preparando coa Garda Civil unha emboscada que rematou coa vida de Afonso Rodríguez e Henrique Orozco, ficando feridos Francisco Martínez "O Quico" e Henrique Oviedo "O Chapa". Aínda non pasara un mes e tamén como resultado dunha infiltración, son asasinados outro grupo de guerrilleiros o 17 de marzo no lugar de Vilasinde, quedando mortos Abelardo Macías Fernández, Hilario Álvarez Méndez e Elpidia Morán Alonso "Maruxa", conseguindo fuxir Oliveros Fernández Armada "Negrín" e Victorino Nieto Rodríguez. Finalmente o 20 de abril son executados en Chavaga, Monforte, os loitadores Xulián Acebo Alberca "O Gardiña", Gregorio Colmenero Fernández " O Porreto", Evaristo González "O Roces", Mario Morán e os irmáns Ramón e María López Casanova. A II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza aglutinaba os loitadores antifascistas que operaban nas áreas de Ourense, O Bierzo, A Cabreira e o sur de Lugo. A asemblea constituínte deste novo corpo das forzas rebeldes que respondía ás orientacións do PCE celebrouse en outubro de 1947 na localidade monfortina de Chavaga coa presenza de guerrilleiros das cinco zonas nas que actuarían no futuro. Segundo deixou recollido nas súas memorias o comisario político da mesma, Francisco Martínez "O Quico", á xuntanza fundacional non chegou a tempo o máximo dirixente comunista en Galiza Xosé Gómez Gaioso, tomándose "o compromiso de participar en accións coordinadas entre guerrillas e operacións de asistencia mutua e de apoio no interior dunha zona de resistencia". A II Agrupación caracterizaríase nos seus primeiros momentos de vida por manter aquel espírito de unidade e pluralidade presente na Federación de Guerrillas de Galiza León A II Agrupación caracterizaríase nos seus primeiros momentos de vida por manter aquel espírito de unidade e pluralidade presente na Federación de Guerrillas de Galiza León que progresivamente iría desaparecendo a medida que se impoñían as directrices do carrillismo. O 22 de xuño de 1949 son baleados nos montes da Penacova en Remesar, Bóveda, os guerrilleiros Bernardo Álvarez Trabajo "O Gasta", Manuel Fernández Soto "Coronel Benito" e Elías López Armesto por un infiltrado co que mantiñan unha xuntanza para preparar novas accións contra o franquismo. "O Gasta", un significado cadro comunista do Bierzo que xa destacara nas loitas sociais no período republicano, condenado a morte polo réxime e que se tiña botado ao monte en 1948 após colaborar durante anos como enlace, finara no momento. "Coronel Benito", dirixente comunista de Mugardos, soldado do exército popular durante a guerra dos tres anos, loitador contra o nazismo na Unión Soviética e Romanía, máximo responsábel do PCE na Galiza após a execución de Seoane e Gaioso morrerá no sitio. "O Paxariño", natural do propio concello de Bóveda, irmán do alcalde da Fronte Popular de Paradela, persoa de confianza de Xosé Castro Veiga "O Piloto" saíu con grandes feridas emboscada, aparecendo o seu cadáver mutilado polos animais salvaxes un mes despois. O responsábel da caída deste núcleo da IV Agrupación será o infiltrado Francisco Cano Román "Comandante Félix". Cano Román, tamén coñecido co nome de guerra de "Carlos", antigo contrabandista, traficante de armas nado en Tetuán en 1908, membro da seguridade franquista onde acadaría a gradación de capitán, operaba no Estado como máximo responsábel dun autodenominado "Exército da resistencia". Axudado doutros antigos demócratas reconvertidos en colaboradores do réxime, Alvarado e Roberto "O Francés" non tardaron en poñer en marcha diversas operacións encubertas ao longo da península, significándose entre estas un intento de infiltración na guerrilla de Viveiro en maio de 1947, o desmantelamento da dirección clandestina do PCE en Madrid e particularmente a caída da guerrilla asturiana do 27 de xaneiro de 1948, que remataría coa morte de dezanove loitadores antifranquistas, entre eles destacados dirixentes como Onofre, Bóger, Aurelio Caxigal ou os Castiello, representando un golpe decisivo para a oposición armada ao franquismo en Asturias. A acción dos infiltrados demostraríase eficaz no combate contra o antifascismo A acción dos infiltrados demostraríase eficaz no combate contra o antifascismo. Malia non ser o factor decisivo na derrota da oposición armada ao réxime, os seus logros ficaron probados en caídas tan importantes como a de Ocero ou a de Chavaga por non saír da área de actuación da II Agrupación. Porén, o operativo articulado arredor do "Comandante Félix" acadou un alcance diferente dada a dimensión e preparación das operacións executadas, a pegada que deixou na memoria popular das zonas onde operou e tamén o personaxe que construíu ao seu arredor. A pesar de que Cano Roman foi dado oficialmente por morto en 1955, após un estraño accidente do que deu conta o xornal ABC, outras fontes opinan que foi a coartada para dotarse dunha nova identidade. Así é todo, o importante da súa figura é que exemplifica a existencia de toda unha estrutura paralegal no franquismo, que será exportada ao réxime nacido de 1978, para combater á marxe da legalidade ás alternativas que cuestionan a orde vixente. [Na imaxe do interior desta peza, Elías López Armesto após ser asasinado]
NOS_10824
A psicóloga clínica Rosa Cerqueiro Landín prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.
Desde a publicación da Lei Xeral de Sanidade en 1986, e non exento de dificultades, cando non serias ameazas á súa natureza (como Real Decreto-Lei 16/2012 Real Decreto-Lei 16/2012, de medidas urxentes para garantir a sostibilidade do Sistema Nacional de Saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións que supuxo, de facto, unha vulneración do dereito constitucional á protección da saúde), fóronse debullando diferentes concrecións normativas coa idea de consolidar un sistema sanitario de carácter universal, equitativo, público e de calidade. A Lei 16/2003, de 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, destaca as garantías das prestacións sanitarias, entre outras a de tempos máximos de atención. Estableceranse posteriormente uns criterios marco, baseados na gravidade das patoloxías, a eficacia da intervención e a oportunidade da mesma (para evitar a progresión ou secuelas da enfermidade). Vanse ir concretando estas garantías de tempos máximos para unha serie de consultas, cirurxías e probas diagnósticas ou terapéuticas, non urxentes e programables, que polas súas condicións de gravidade e impacto, non admitirían demoras inxustificables. De acordo co dereito á información, publicaranse regularmente os indicadores de listas de espera, pero só para primeiras consultas, que non teñan a consideración de revisión. Son datos incompletos porque só teñen en conta a lista de espera estrutural. Á espera dos datos de xuño 2022, aínda non publicados, podemos coñecer que as listas de espera en Galicia aumentaron de xeito alarmante nos últimos anos. O número de persoas en espera dunha primeira consulta de saúde mental pasou de 4.074 no ano 2014 a un total de 10.020 persoas en 2021. O tempo medio de espera abeira os 40 días, o que non se corresponde coa realidade da espera que coñecemos nas distintos dispositivos asistenciais, sobre todo nas unidades de saúde mental comunitaria (que acolle a maioría da demanda de atención) onde eses 40 días de espera soe ser o mínimo que hai que agardar. Esta situación ten consecuencias na recuperación do paciente e a prevención da cronicidade. Ademais, hai outro aspecto non regulado normativamente, pero que ten moito que ver con ese principio de "oportunidade da intervención" que afecta sensiblemente á calidade da prestación, da seguridade das persoas e a eficacia dos tratamentos. Estoume a referir á distancia entre consultas sucesivas, que soe ser tamén moi dilatado no tempo aínda que non hai un rexistro publicado das mesmas. Existe unha seria contradición con respecto aos estándares recomendados por investigacións e guías de práctica clínica (GPC) que, creando unha situación paradoxal, son coordinadas polos propios servizos de saúde (en Galicia a axencia ACIS). Por exemplo, na GPC de depresión maior en poboación infanto-xuvenil recoméndase tratamento psicolóxico semanal polo menos durante 8-12 semanas, e se hai tratamento farmacolóxico, un seguimento regular e frecuente. No caso de adultos, e depresión leve, a recomendación de tratamento psicolóxico é de 6 a 8 sesións durante 10-12 semanas, aumentando segundo a gravidade, e un seguimento do tratamento farmacolóxico con frecuencia semanal ou quincenal ao inicio da prescrición. As recomendacións son similares no caso doutros problemas de saúde mental, e dos criterios mínimos que destacaban na Estratexia de Saúde Mental do SNS no ano 2009 para unha intervención eficaz, que para un tratamento individual establecía en 15 sesións, semanais/quincenais de entre 30-45 minutos cada unha. Esta intensidade idónea dos tratamentos non é posible ante o aumento constante da demanda de asistencia, a sobrecarga da axenda ordinaria e o número de pacientes activos por profesional. Ata o de agora, o aumento na contratación de profesionais da saúde mental ao abeiro do plan de saúde mental de Galicia poscovid 2020-24 non implicou ningún cambio na situación descrita, algo que xa se advertiu desde a súa data de publicación hai 2 anos, pola profundidade das carencias de recursos e amplitude das necesidades a cubrir, ademais da urxencia dun cambio de modelo asistencial que poña por diante a persoa e os dereitos. Chegados ata aquí, deberíase realizar xa a primeira avaliación de proceso e resultados do plan, do grao de consecución dos indicadores de seguimentos recollidos no documento e incorporar os indicadores de calidade das intervencións segundo os estándares recomendados.
NOS_26986
A plataforma 'Por un Monte Galego con Futuro' denuncia que a moratoria non terá valor ningún se non se establecen a través dun regulamento de medidas específicas para aplicala de maneira efectiva-
O Plan Forestal Galego de 1992 establecía como limiar que no ano 2032 as plantacións de eucalipto ocuparían 245.000 hectáreas. Segundo os últimos datos do Inventario Forestal de Especies Produtivas -realizado cada década polo ministerio-, en 2018 eran xa 300.500 hectáreas de monocultivo de eucalipto e outras 121.700 hectáreas nas que a especie se atopaba presente dalgún modo. Case o dobre das previstas para 2032. E a falta de realizarse o novo inventario forestal encargado polo Goberno galego algunhas fontes apuntan a que que esta especie pode ocupar xa case 600.000 hectáreas en Galiza. A plataforma 'Por un Monte Galego con Futuro' enmarca o anuncio da moratoria por parte da Xunta en que se produce escasas horas despois de aprobar un novo Plan Forestal Galego "que responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado". Un plan, denuncian, "que pon a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais e deixa de lado o interese xeral. Un plan que non contempla a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais e garantir así os servizos ecosistémicos dos montes galegos". Un novo Plan Forestal, que segundo denuncia esta plataforma fomenta, o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de hectáreas de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de metros cúbicos de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de metros cúbicos de cortas/ano. "Un plan que propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. nitens, pese a ter traspasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos". A plataforma solicita ao Parlamento Galego a devolución do novo Plan Forestal Galego ao Consello Forestal para realizar unha nova redacción axeitada ás necesidades do país e na que poidan participar todas as organizacións relacionadas co monte e co medio rural.
PRAZA_11215
Non resulta infrecuente ver escrito: "de aquela maneira, de outro, en algún, todo en un, amiga de unha etc.", malia que a nosa ortografía normativa é ben clara precisando as contraccións prescritivas
Non resulta infrecuente ver escrito: "de aquela maneira, de outro, en algún, todo en un, amiga de unha etc.", malia que a nosa ortografía normativa é ben clara precisando as contraccións prescritivas:Dos pronomes persoais "me/che/lle/nos/vos/lles" cos pronomes persoais "a(s)/o(s)" (>: ma(s)/mo(s), cha(s)/cho(s), lla(s)/llo(s), nola(s)/nolo(s), vola(s)/volo(s), llela(s)/llelo(s)); dos pronomes persoais "a(s)/o(s)" enclíticos de formas verbais rematadas en -R ou -S (Ex.: comprar + a > comprala, bebes + o > bébelo); e o pronome enclítico "nos" trala 4P (Ex.: levantamos + nos > levantámonos); das preposicións "a" cos artigos determinados (>: á(s)/ao(s)-ó(s) -auténtica contracción na forma masculina porque a súa pronuncia é "O aberto"-), "con" cos artigos (>: co(s)/coa(s) e cun(s)/cunha(s)), "de" cos artigos (>: da(s)/do(s) e dun(s)/dunha(s)), "en" cos artigos (>: na(s)/no(s) e nun(s)/nunha(s)) e "por" cos artigos determinados (>: pola(s)/polo(s)); das preposicións "de/en" cos indefinidos "outra(s)/outro(s)" e "algún(s)/algunha(s)" (>: doutra(s)/doutro(s), noutra(s)/noutro(s), dalgún(s)/dalgunha(s) e nalgún(s)/nalgunha(s)); dos pronomes demostrativos co indefinido "outra(s)/outro(s)" (Ex.: estoutra, estoutros, esoutras, esoutro, aqueloutras, aqueloutro); das preposicións "de/en" cos pronomes demostrativos (Ex.: desta, nestes, dese, nesas, daquilo, naquel) e as combinacións dos demostrativos co indefinido "outra(s)/outro(s)"(Ex.: destoutra, nestoutros, nesoutro, nesoutras, daqueloutro); das mesmas preposicións cos pronomes persoais "el(es)/ela(s)" (>: del(es)/dela(s) e nel(es)/nela(s)); tamén das mesmas preposicións cos indefinidos e numerais "un(s)/unha(s)" (Ex.: cabe nunha ou dúas, é dun ou outro); e da preposición "entre" cos indefinidos "ambas/ambos" (>: entrambas/entrambos).E así mesmo as contraccións optativas:Coas segundas formas dos artigos determinados "la(s)/lo(s)"tras formas verbais acabadas en -R ou -S agás participios (Ex.: face-los deberes, téde-lo resultado), após os pronomes enclíticos "nos/vos/lles" (Ex.: déuvo-lo todo, perdoáronlle-las faltas), despois dos pronomes "nós/vós" seguidos dunha cuantificación (Ex.: nó-los cinco abondamos), tralos indefinidos "ambas/ambos, entrambas/entrambos e todas/todos" (Ex.: entrámbalas familias, tódolos homes), após a preposición "tras" (Ex.: tralo partido) e despois da conxunción "(e) mais" (Ex.: túa nai e maila miña); os artigos determinados coa conxunción "ca" (>: cá(s)/có(s)) e coa preposición "para" na súa forma monosílaba "pra" (>: prá(s)/pró(s)).Admitindo, amais, o uso do apóstrofo, que non se debe empregar na lingua formal pro si cando se quer reproducir fielmente a lingua oral (Ex.: n'estabamos cand'o fixo, cómpre qu'a atend'a doutora, troux'o costume d'alá), ou citar títulos iniciados por un artigo coas preposicións "de/en"(Ex.: escribía n'A Nosa Terra, son frases d'A Esmorga).Este significativo número de contraccións obrigatorias e posíbeis sinala unha das características da nosa lingua escrita fronte ás ortografías do castelán e, en menor medida, do portugués, reflectindo, sequera minimamente, a grande abundancia de elisións que o galego fai na lingua oral.Porén, malia que é un trazo amplamente documentado en calquera gramática galega antiga e que no pasado se representaba graficamente con profusión na escrita normativa impúxose a tendencia de minimizar a súa representación –coa conseguinte repercusión na oralidade– por seguir os modelos ortográficos do castelán, sobre todo, e mailo portugués, obviando outros modelos ortográficos non menos prestixiosos como o francés (à + le/les > au/aux, de + le(s) > du/des, à + lequel/lesquel/lesquelles > auquel/auxquels/auxquelles, de + lequel/lesquels/lesquelles > duquel/desquels/desquelles, à + ledit/… > audit…, de + ledit/… > dudit/… e sobre todo co uso do apóstrofo ante palabra comezada por vogal ou H mudo cos artigos: "le", "la"; os pronomes persoais tónicos: "je" e "ce"; os pronomes persoais átonos: "me", "te" e "se"; os pronomes relativos e conxuncións: "que", "jusque", "lorsque" e "si"; o adverbio "non" e a preposición "de"), o italiano (as preposicións a /da/di/in/su + artigos determinados il/lo/la/l'/i/gli/le > al, allo, alla, all', ai, agli, alle; dal, dallo, dalla, dall',dai, dagli, dalle; del, dello, dell', dei…; nel, nello…; sul, sullo…; o pronome átono gli + pronomes átonos lo/la/li/le/ne > glielo, gliela, glieli… pro sobre todo usando o apóstrofo diante de palabra comezada por vogal coas palabras: lo e la > l' -e as súas formas contractas con preposicións-, una > un', bello > bell', santo > sant', grande > grand', questo > quest', quello > quell', nessuno > nessun' e as locucións formadas con ci > c' e optativa con: di > d' e os pronomes átonos mi, ti, ci, vi, lo e la), o catalán (a + el(s) > al(s), de + el(s) > del(s), per + el(s) > pel(s), ca [<casa] + el(s)/en > cal(s)/can e usando o apóstrofo diante de palabra iniciada por vogal segundo certas regras cos artigos: "el", "la", "en" e "na" [estes dous últimos só diante de nomes propios: n'Andreu, n'Olga], a preposición "de" e os pronomes átonos: "em", "et", "el/la" "es", "en", "ens" e "els", tanto diante coma tras forma verbal iniciada/acabada con vogal ou en combinación con outros pronomes: m'/'m, t'/'t, l'/'l, s'/'s, -ls, -ns, n'/'n) ou mesmo o tan considerado inglés, cuxos exemplos aparecen máis adiante.Se comparamos o número de contraccións da ortografía galega coas do castelán, con soamente tres obrigatorias: a + el > al, de + el > del, e o pronome enclítico "nos" trala 4P (Ex.: levantamos + nos > levantámonos), pois calquera outra é considerada vulgarismo (Ex.: pal/pa'l (< pa(ra) el), pallá/pa'llá, palante/pa'lante etc.) ou arcaísmo (Ex.: doquier(a) (< dondequier(a)), entrambas/-os).E as do portugués, conforme o Acordo ortográfico de 1990, onde moitas obrigatorias en galego son opcionais na lingua irmá, comprobamos o definitorio das contraccións no noso idioma fronte aos seus veciños:Prescritivas:Os pronomes persoais "me/te/lhe/nos/vos/lhes" cos pronomes persoais "a(s)/o(s)" (>: ma(s)/mo(s), ta(s)/to(s), lha(s)/lho(s) (< lhe(s) + a(s)/o(s)), no-la(s)/no-lo(s,) vo-la(s)/vo-lo(s)), os pronomes persoais "a(s)/o(s)" enclíticos de formas verbais rematadas en -R, -S ou -Z (Ex.: comprar + a > comprá-la, bebes + o > bebe-lo, faz + os > fá-los, traz + as > trá-las) e o pronome enclítico "nos" trala 4P (Ex.: levantamos + nos > levantamo-nos); a preposición "a" cos artigos determinados (>: à(s)/ao(s)) -que na forma masculina é unha simple unión gráfica porque ámbalas formas conservan a súa pronuncia: a + o (u) > "aw"- e os demostrativos "aquela(s)/aquele(s)/aquilo"(>: àquela(s)/àquele(s)/àquilo); a preposición "de" cos artigos determinados "a(s)/o(s)" (>: da(s)/do(s)), cos pronomes persoais "ela(s)/ele(s)" (> dela(s)/dele(s)), cos pronomes demostrativos "esta(s)/este(s)/isto" "essa(s)/esses(s)/isso" e "aquela(s)/aquele(s)/aquilo" (Ex.: desta, desses, daquilo), cos pronomes demostrativos unidos aos indefinidos "outra(s)/outro(s)" ((Ex.: destoutro, dessaoutras, daqueloutros) e os adverbios de lugar "aqui/aí/ali/acolá/onde" (>: daqui, daí, dali, dacolá, donde) e o adverbio "dantes" co siginificado de "antigamente"; a preposición "em" cos artigos "a(s)/o(s)" e "um/uns/uma(s)" (>: na(s)/no(s) e num/nuns/numa(s)), cos pronomes persoais "ela(s)/ele(s)" (> nela(s)/nele(s)), cos pronomes demostrativos "esta(s)/este(s)/isto" "esa(s)/eses(s)/iso" e "aquela(s)/aquele(s)/aquilo" (Ex.: nesta, nesses, naquilo) e os indefinidos "outra(s)/outro(s)/outrem" e "algum/alguns/alguma(s)/alguém" (>: noutra(s)/noutro(s)/noutrem e nalgum/nalguns/nalguma(s)/nalguém) e cos pronomes demostrativos unidos aos indefinidos "outra(s)/outro(s)" ((Ex.: nestoutro, nessaoutras, naqueloutros); e a preposición "por" -na súa forma medieval "per"-cos artigos determinados (> pela(s)/pelo(s)).E opcionais, pro claramente preteridas ás formas sen contraír:A preposición "com" cos artigos determinados: com a(s)/com o(s) – co(s)/coa(s), estas consideradas moi coloquiais; a preposición "de" cos artigos indeterminados, os indefinidos ou numerais "um/uns/uma(s)" (>: de um/de uns/de uma(s) – dum/duns/duma(s)), cos indefinidos "alguém, algum/alguns/alguma(s), algo" e "outra(s)/o(s), outrem, outrora" (Ex.: de alguém – dalguém, de alguma – dalguma, de outro – doutro, de outrora – doutrora), cos adverbios de lugar "algures e alhures" (Ex.: de algures – dalgures), coa preposición "entre" (> de entre – dentre) e a locución adverbial "doravante – de ora avante", cuxa forma contracta é máis usada; e a preposición "para" na súa forma popular "pra" cos artigos determinados ou pronomes "a(s)/o(s)" (> para a(s)/o(s) – prà(s)/ò(s)), consideradas moi informais.E o apóstrofo soamente é obrigatorio na unión con guión de palabras "substantivo+de+substantivo" que expresan un único concepto (Ex.: cobra-d'água, estrela-d'alva, pau-d'óleo), nos demais casos é opcional (Ex.: n'Os Lusíadas – em Os Lusíadas, Sant'Ana – Santana, Sant'Iago – Santiago, está n'Ele a nossa salvação – está em Ele a nossa salvação).Unicamente o asturleonés presenta unha serie de contraccións avultada pro maioritariamente mediante o uso do apóstrofo, tanto na variante leonesa coma na asturiana, con todo tamén posúe un certo número de contraccións obrigatorias sen apóstrofo, así o leonés: o artigo determinado "el" coas preposicións "a", "de" e "pa" (> al, del, pal) e tódolos artigos determinados "el/la/lo/los/las" coas preposicións "con", "en" e "por" (> col-cono/cola-cona/colo-cona/colos-conos/colas-conas, nel-no/na/no/nos/nas e pol/pola/polo/polos/polas); os demostrativos coa preposición "en" (>: nesti, nesta, nesto…, nesi, nesa… e naquel, naquella…); os pronomes persoais "él/ella/ello/ellos/ellas" coa preposición "en" (> nél/nella, nello…); a preposición "entre" cos indefinidos "ambas/ambos" (> entrambas/entrambos); os indefinidos "todas/todos" cos artigos determinados "las/los" (> tódalas/tódolos); os indefinidos e numerais "ún-unu/una/unos/unas" coa preposición "en" (> nún-nunu/nuna/nunos/nunas); os pronomes enclíticos tralo verbo en infinitivo (Ex.: dicite, comelo, da-y/-lly) e o pronome enclítico "nos" trala 4P (Ex.: levantámonos, vámonos). E as seguintes mediante o uso do apóstrofo: o artigo determinado "el" diante de palabra iniciada por vogal ou H mudo ou tras palabra acabada en vogal senón segue ao artigo outra palabra comezada por vogal ou H mudo (Ex.: l'avión, l'home, vienó'l xueves, compra'l xatu pro bebe l'augua); o artigo determinado "la" diante de palabra comezada por A- ou HA- (Ex.: l'amiga, l'harpa); as preposicións "de" e "en" diante de palabras comezadas por vogal ou H mudo (Ex.: d'eiquí, d'hospital, n'iviernu, n'hotel); a preposición "pa" diante de palabras iniciadas por A- ou HA- (Ex.: p'ayudar, p'haber); a conxunción ou o relativo "que" diante de palabras comezadas por vogal ou H mudo (Ex.: qu'esti, qu'había); e os pronomes "me/te/se" diante de forma verbal iniciada por vogal ou H mudo (Ex.: xa m'esqueicí d'él, ¿nun t'acuerdas?, tien que s'aguantar, si s'habita).E o asturiano igual pro engadindo algúns casos máis e algunhas puntualizacións: o artigo determinado "el" coa preposición "so" (> sol) e tódolos artigos determinados á preposición "per", usada xunto a "por" con significado diferente (> pel/pela/pelo/pelos/peles) e como en asturiano o plural de "la" é "les" as contraccións nas formas femininas plurais son: "coles, nes, poles; nestes, neses, naquelles; nelles; nunes"; tamén muda a posibilidade co pronome masculino persoal "él/elli" (> nél/nelli e naquel/naquelli); a preposición "a" tamén contrae con "en"(> an. Ex.: voi an ca Antón); os indefinidos "tou/toa/too/toos/toes", diferentes do leonés, dan contraccións distintas cos artigos determinados (> tol/tola/tolo/tolos/toles); e a preposición "per" contrae con "ente" (> pente) e é opcional cos adverbios "equí/ehí/ende/ellí/allá/enriba/embaxo" (> pequí – per equí, pehí – per ehí, pende – per ende, pellí – per ellí, pellá – per allá, perenriba/perriba – per enriba, perembaxo/perbaxo – per embaxo).Pódese afirmar que salvante o castelán as contraccións, sen ou con apóstrofo, son a norma nas linguas romances en todos aqueles casos de uso frecuente, porque o castelán correcto esixe pronunciar sempre tódalas vogais tal como están escritas sen elidir ningunha, dado que isto se considera un trazo antigo ou vulgar. O noso idioma irmán, o portugués, foi reducindo o número de contraccións representadas así como o uso do apóstrofo ata a súa case eliminación dende o galego-portugués literario das cantigas ata a "Reforma ortográfica de 1911" en Portugal e o "Formulário ortográfico de 1943" no Brasil, que sentaron as bases da súa actual ortografía, rompendo coa anterior escrita etimoloxista cara a unha simplificación foneticista que prima a palabra como unidade representada; con todo, no portugués a escrita dista moito de reproducir a correcta pronuncia porque tanto vogais coma consoantes difiren da súa pronunciación alfabética segundo os casos e moitas contraccións e elisións que non se representan na escrita son prescritivas ou comúns na fala, mais os portugueses teñen a favor que non deben deprender castelán coma nós nunha situación diglósica (Ex.: com a [kõa], de um [dũ], pelo [plu], para a [pra], ponte [põt], forte [fOrt], vontade [võtad]). A tendencia por non representar as contraccións orais leva a que no Brasil, onde a pronuncia vocálica é moito máis marcada, sexa considerada escrita formal a non representación da contracción da preposición "em" cos artigos indefinidos (> em um/uma), mentres que a súa representación explícita (> num/numa) sexa rexistro informal.O galego perde definicición prescindindo dun recurso que forma parte do seu ADN e que acaba facendo que os neofalantes galegos falen dun xeito inverosímil ao non usaren as contraccións naturais nunha lingua como a nosa onde tódolos artigos comezan por vogal. Porque se non é o mesmo escribir nin pronunciar "corear" ca "corar", nin "rodear" ca "rodar", nin "balea" ca "bala" etc., tampouco o debería ser "de ese" ca "dese". Non é casualidade que tódalos estándares das linguas romances españolas boten man da representación das contraccións, con ou sen apóstrofo segundo os casos, como recurso visual pra salvagardar a súa pronuncia enxebre fronte á influencia contraria do castelán, e unicamente o galego normativo renunciou ao uso do apóstrofo, en contra da súa tradición escrita, como opción pra representar unha pronuncia correcta.Seguindo o exemplo do inglés, lingua de ensino obrigatorio e por tanto amplamente coñecida por unha boa parte da nosa sociedade, o galego tamén podería representar opcionalmente as contraccións habituais na nosa fala, diferenciando así textos cultos ou formais de informais ou coloquiais, sen que isto menoscabe o noso idioma como non o fai co prestixioso inglés. Ex.: (ing. formal/ing. informal) You are neighbours/you're neighbours (sodes veciños), we are working/we're working (estamos a traballar), they have worked/they've worked (traballaron), he has eaten/he's eaten (comeu), you must not go into the garden/you mustn't go into the garden (non debes ir ao xardín), I can not speak French/I can't speak French (non podo falar francés), she is going to have lunch/she's gonna have lunch (vai xantar), I want to have lunch/I wanna have lunch (quero xantar), I am not stupid/I ain't stupid (non son parvo) etc. Loxicamente cada lingua ten as súas palabras proclives á contracción e mentres que no inglés as contraccións se fan maioritariamente con formas verbais, o galego ten nos artigos determinados os indiscutíbeis protagonistas pro non os únicos. Ex.: Díxome o teu nome/díxom'o teu nome, vén para a festa/vén prá festa, di que o sabe/di qu'o sabe, axiña se amaña todo o estragado/axiña s'amaña tod'o estragado, hoxe non amence despexado/hoxe n'amence despexado, torces o bico ao me ver/tórce-lo bico ó me ver, fixérono os dous durante o descanso/fixéron'os dous durant'o descanso, cando as vexas entre unhas matas/cand'as vexas entr'unhas matas etc.Obviamente non se pretende reivindicar a introdución de tódalas contraccións habituais da fala galega non recollidas pola ortografía normativa pro si un maior uso desta posibilidade que reflicta a pronuncia real do galego na escrita dos usos informais ou coloquiais da nosa lingua. De certo que unha utilización indiscriminada daría lugar a interpretacións erróneas (Ex.: com'o bocadillo < como o bocadillo, come o bocadillo ou como/coma o bocadillo; agard'a súa quenda < agarda a súa quenda ou agarde a súa quenda; cand'a túa visita < cando a túa visita ou canda a túa visita etc.), mais do mesmo xeito que se restrinxe o uso das segundas formas do artigo definido a determinados contextos, tamén se podería regular o uso opcional do apóstrofo -algo que a normativa ortográfica permite- en textos coloquiais.
NOS_52481
Foi atopada en Burés por un grupo de afeccionados, Na zona coñecíase como 'A Cova dos Mouros'.
Un grupo de afeccionados da comarca do Barbanza localizaron un gran monumento megalítico na localidade de Burés (Rianxo), segundo informa Cultura Galega. Trátase dunha anta megalítica rodeada dunha estrutura tumular de aproximadamente catro metros de altura. A anta conserva unha boa parte dos esteos da cámara aínda en pé, aínda que lle falta a tapa superior, e estaba inédita. Porén, era coñecida na veciñanza da contorna como a Cova dos Mouros e era un lugar habitual de xogo dos nenos hai décadas, afirma Cultura Galega. Xa se notificou á Xunta o seu achádego. Imaxe: Rabuño, Coto de Burés e Juan Carlos Collazo
NOS_18117
A monarquía española non atravesa os seus mellores momentos. A abdicación de Juan Carlos I, esmagado polas corruptelas, foi un primeiro aviso. O conflito catalán e a resposta ao mesmo da dereita española tamén a abalaron, xa en mans de Felipe VI. No seu discurso desta Noiteboa, o Rei de España volveu ao mito da Transición para intentar recentrar a súa propia figura.
En dez minutos de alocución, pronunciada desde o Palacio da Zarzuela e coas bandeiras española e da Unión Europea como decorado -ademais dun retrato coa Infanta Leonor e un Nacemento católico-, o monarca referiuse á necesidade de "asegurar a convivencia". Foi esta palabra, "convivencia", unha das que máis repetiu. "A convivencia, que sempre é fráxil, non o esquezamos, é o maior patrimonio que temos os españois", dixo, "a obra máis valiosa da nosa democracia e o mellor legado que podemos confiar ás xeracións máis novas". Aínda que Catalunya non apareceu de maneira explícita, era o fondo do discurso. Porque o a intervención de Felipe VI o 3 de outubro de 2017 marcou un antes e un despois na percepeción que, no Estado español, existe sobre a insititución monárquica. O aliñamento do Rei coas teses máis centralistas e dereitosas a respecto da pluralidade nacional e as reivindicacións maioritarias do pobo catalán esnaquizaron a pretensa neutralidade de Zarzuela. Algunhas enquisas así o certifican: no Estado hai xa unha maioría republicana, moi acentuada en Catalunya, Euskadi e tamén en Galiza. Nas franxas de idade máis nova o abismo é enorme. Nesta paisaxe, da que -segundo os analistas- son moi conscientes nas altas esferas, o monarca ofreceu onte unha imaxe de certa moderación. Iso si, sen apenas se afastar dos tópicos fundacionais da democracia española post 78. O "respecto á Constitución" como solución a todos os problemas, a suposta exemplaridade da Transición como medicina, "a reconciliación e a concordia", "o orgullo do que somos e do que fixemos". "Quen viviron aqueles anos saben ben que se hai algo que os define foi o valor de traballar xuntos e unidos pensando no noso país e no futuro", afirmou, "foi a vontade dos españois de se entenderen e a dos líderes políticos, económicos e sociais de chegar a acordos, malia estaren moi distanciados polas súas ideas e sentimentos". Nesta versión da restauración da democracia desaparecen a violencia e a imposición, a acción das potencias estranxeiras, ou a enorme conflitividade social, obreira, que constituíron a realidade daquela etapa. Non houbo mención algunha á diversidade interna do Estado, pero si á "seria preocupación" que lle causan "a cohesión social e territorial, a economía e o paro, a educación, a corrupción, o terrorismo e a violencia contra as mulleres". O discurso navideño do Rei é habitualmente redactado no Palacio da Zarzuela, pero revisado na Moncloa. O desta Noiteboa era o primeiro despois da moción de censura que levou Pedro Sánchez e o PSOE ao Goberno con apoio de Unidos Podemos e nacionalistas e independentistas vascos e cataláns.
PRAZA_11308
Ana Pontón e Néstor Rego viaxan en camión de Sabón a Santiago para exemplificar o impacto que as peaxes da AP-9 teñen no sector do transporte
Corenta anos despois da súa inauguración, a Autoestrada do Atlántico segue a ser cuestión de debate político en Galicia. En torno á AP-9 concéntranse os maiores núcleos de poboación do país e os concellos nos que -aínda- nace máis xente da que morre. Tamén boa parte da actividade económica. Todos estes aspectos da vida cotiá continúan, dun ou doutro xeito, condicionados por unha autoestrada cunha concesión que se estende ata 2048 aínda que inicialmente remataba en 2013.Ana Pontón e Néstor Rego viaxaron en camión de Sabón a Santiago para exemplificar o impacto que as peaxes da AP-9 teñen no sector do transporteAlén de todos estes aspectos, a contorna AP-9 tamén é o escenario fundamental da batalla electoral do 10N en Galicia. É na Coruña e Pontevedra onde as diversas forzas políticas aspiran a que haxa movementos de escanos a respecto do reparto do 28 de abril. Unha das que o agarda con máis esperanza é o BNG, que desta volta asegura ver máis preto ca nunca, "na punta dos dedos" a posibilidade de regresar ao Congreso, Cámara na que o traspaso de competencias sobre a AP-9 a Galicia ficou, como tantos outros asuntos, freado pola repetición electoral.Todos estes factores estiveron presentes na viaxe pola AP-9 que este mércores, ás portas da campaña, organizou o Bloque. A portavoz nacional da formación, Ana Pontón e o seu cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, subiron a un camión para protagonizaren a súa particular "tráiler movie", ironizaron. Viaxaron entre o polígono industrial de Sabón (Arteixo) e o da Sionlla, en Santiago, para exemplificaren o "lastre que as abusivas peaxes supoñen para o sector do transporte e as pequenas e medianas empresas", alén de para a veciñanza en xeral.No caso de obteren representación, asegura Pontón, "a partir do 10N imos defender no Congreso que a AP-9 ten que transferirse a Galiza e que ese sexa o inicio da fin dunhas peaxes que son unha estafa legalizada polo PP e polo PSOE". "Este -afirma Rego- será un tema preferente no Congreso, porque as forzas políticas que tiveron a posibilidade de acabaren con esta estafa non moveron un dedo".O Bloque subliña, con datos dos transportistas, que un camión que faga o mesmo percorrido no seu traballo habitual afronta gastos superiores aos 1.700 euros mensuaisAlén da tramitación da transferencia, Rego e Pontón botan man dos datos da federación de transportistas FETRAM -un de cuxos membros colaborou no acto reivindicativo co seu camión- para "poñer o foco no que significan as peaxes para o sector do transporte. "Un profesional que faga este mesmo percorrido da Coruña a Santiago tres veces ao día ten un custe de explotación de 1.770 euros mensuais" e se a viaxe é ata Vigo "con dúas viaxes diarias", o gasto dispárase ata os 2.832 euros ao mes.A solución a estas cifras, advirte Pontón, "non vai vir pola simetría de Peaxes que propón Feijóo" para todo o Estado, toda vez que "só hai tres autoestradas coa concesión máxima de 75 anos e dúas están en Galiza, o que significa que se nos obriga a pagar máis e durante máis tempo". Cómpre lembrar ademais, destaca, que "as autoestradas construídas nas mesmas datas" que a AP-9 están chegando xa ao remate das súas concesións e que mentres, os beneficios de Audasa continúan á alza -os datos máis recentes indican que os seus ingresos medran catro veces máis que o seu tráfico de vehículos-.
NOS_186
As 9 persoas encausadas na Operación Jaro solicitan reunións formais co BNG e En Marea. O Bloque xa respondeu afirmativamente.Na xuntanza pedirán que o rexeitamento á suspensión da formación independentista se traduza en mocións nos plenos municipais e na Cámara galega.
Os 9 independentistas encausados na 'Operación Jaro' solicitaron esta semana reunións formais con BNG e En Marea. Desde o Bloque xa se respondeu, a través de Bieito Lobeira, quea ceptaban a petición e manterían unha xuntanza, ao tempo que lembraba que o BNG xa no seu momento rexeitara o operativo ordenado pola Audiencia Nacional e as súas consecuencias, como o procesamento de 9 independentistas e a suspensión de facto de Causa Galiza. Desde o colectivo destas 9 persoas encausadas pola AN informan, nun comunicado, que nesas reunións solicitarán a ambas as dúas formacións "que contribuam para apresentar nos concelhos do País e no parlamento autonómico moçons de rechaço à ilegalizaçom de Causa Galiza e de exigência de que se arquive a causa aberta contra os nove militantes políticos". O colectivo considera que tanto o operativo ordenado pola Audiencia Nacional e coñecido co nome de 'Operación Jaro' como o proceso xudicial en curso "som umha farsa político-judicial" que procura "abortar" a construción dun proxecto político independentista. Bruxelas A finais do pasado mes de setembro rexistrábase por parte do grupo 'Os Pobos deciden', integrado por BNG e EH Bildu, unha pregunta á Comisión Europea sobre a ilegalización de facto de Causa Galiza pola Audiencia Nacional española. Levábase así perante as institucións comunitarias unha das consecuencias da 'Operación Jaro', nunha dinámica que se quere estender a nivel municipal (mocións nos concellos) e nacional (Parlamento).
PRAZA_9221
A Compañía de Tranvías recorreu a baixada das tarifas prevista para este venres 1 de febreiro, adiada agora por orde xudicial ata que o xulgado ditamine as medidas cautelares.
Pouco despois do mediodía deste mércores, o concelleiro de Mobilidade da Coruña, Daniel Díaz, anunciaba e detallaba a entrada en vigor o vindeiro venres 1 de febreiro da baixada en dez céntimos no billete do transporte urbano. Coas novas tarifas aprobadas polo goberno local, un viaxe pagado coa tarxeta bonobús pasa dos 85 céntimos aos 75, mentres que un ordinario queda en 1,20 euros fronte aos 1,30 actuais. Ademais, o bonobús social queda en 33 céntimos, o universitario en 30, mentres que se establece a gratuidade dos percorridos dos menores de 13 anos e dos transbordos en calquera liña. Tres horas máis tarde, a redución prevista quedou suspendida logo de que o Concello recibise unha providencia xudicial na que lle insta a "absterse de calquera intervención" nos prezos ata que que o xulgado resolva respecto das medidas cautelares solicitadas pola Compañía de Tranvías, empresa concesionaria que recorreu a redución no importe. A Compañía de Tranvías recorreu a baixada das tarifas, adiada agora por orde xudicial ata que o xulgado ditamine as medidas cautelaresNo seu recurso, a Compañía de Tranvías solicitou (e conseguiu) a suspensión cautelar da baixada de tarifas acordada en xunta de goberno local en setembro e decembro pasado logo de que o Concello rexeitase as súas alegacións. Ademais, antes xa solicitara ante a Xunta revisar as tarifas, conxeladas desde 2015, para subir o prezo nove céntimos máis no billete ordinario, ata 1,39 euros. "O Concello non pode máis que seguir as indicacións que chegan desde o xulgado, que en todo caso non se refiren á legalidade dos acordos municipais sobre os cambios de tarifa nin sobre as medidas cautelares, senón que simplemente ordenan á administración agardar a que se pronuncie sobre a solicitude de suspensión formulada pola Compañía de Tranvías", asegura Díaz Grandío, que espera que o pronunciamento do xulgado se produza coa máxima celeridade para minimizar os posibles prexuízos ás e aos usuarios do transporte público, que non poderán beneficiarse desta redución de tarifas nos prazos previstos polo Concello". A Compañía de Tranvías considera que o contrato de concesión asinado en 1986 establece unha revisión sempre cara arriba nas tarifas. O pasado ano, a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) considerou que a concesión dos buses da Coruña debería axustarse á normativa europea e evitar que a a empresa se beneficiase de "ingresos e/ou vantaxes" que lle permiten exceder por moito as ganancias necesarias para cubrir os custos do servizo "máis uns beneficios razonables". Ademais, lembraba que o convenio de hai máis de 30 anos foi asinado sen concurso e debía ser revisado pola Comisión Europea por se a firma recibise "axudas de Estado ilegais". Competencia consideraba excesivos os beneficios da concesionaria do transporte urbano, cuxo convenio foi aprobado sen concurso hai máis de 30 anosO litixio xudicial entre Concello e Tranvías non remata aquí, xa que ambas partes discuten sobre a data a partir da que debería contarse o período de 30 anos tras o que rematan as adxudicacións que non foron licitadas publicamente. O xulgado que leva o caso recorreu ao Tribunal de Xustiza da UE para que determine se o contrato finalizou xa, como entende a administración local por mor do regulamento europeo de 2009, ou se habería que agardar a 2024, como se establece no convenio de 1986. A Compañía de Tranvías da Coruña obtivo no pasado ano 2017 4,3 millóns de beneficios, un chisco menos dos obtidos en 2016, exercicio récord, con 4,5. En ambos casos, o goberno local considera, como fai Competencia, excesivos esas ganancias para unha compañía que ofrece un servizo público e que pretende o incremento nas tarifas. O prezo do billete do bus coruñés supera a media estatal.
NOS_8743
O responsábel comarcal de Vigo, Manuel Caride, está acusado dunha falta de deslucimento do mobiliario público por pintar un mural coas cores da bandeira nacionalista e o texto Galiza Nación en Baiona, ao paso da Vuelta a España de 2013.
Esta quinta feira quedou visto para sentenza o xuízo de faltas contra o responsábel comarcal do BNG de Vigo, Manuel Caride, acusado de deslucir o mobiliario urbano ao pintar un mural coas cores da bandeira nacionalista e a mensaxe Galiza Nación no Alto da Grova, en Baiona, onde remataba unha etapa da Vuelta a España de 2013. Os feitos aconteceron o 24 de agosto, cando a garda civil detivo dous vehículos en que viaxaban militantes da formación frontista. No de Caride atoparon a pintura e a plantilla empregada para facer o mural. Foi contra el contra quen se interpuxo a única demanda, ao entender a benemérita que pintar unha bandeira da Patria podería ser constitutivo dunha falta administrativa pola que lle piden ao nacionalista unha pena pecuniaria de entre 100 e 150 euros. No xulgamento, que decorreu no Xulgado de Paz de Baiona, non houbo declaracións. Os axentes que presentaron a denuncia ratificáronse nela e o avogado de Caride, Alberto Marín, esixiu a súa libre absolución alegando que os feitos polos que foi encausado "non constitúen nengunha falta" e, de haber unha responsabilidade penal, esta estaría xa prescrita porque pasaron xa máis de seis meses. O caso ficou visto para sentenza. Namentres isto acontecía dentro das instalacións do xulgado, fóra ducias de persoas concentráronse para mostrar o seu apoio a Caride e reclamar, tamén en forma de presión social, a súa libre absolución.
PRAZA_1353
Talabarte vén de iniciar a súa xira Ao son da cociña, unha degustación musical e gastronómica en espazos singulares. Unha entrevista de Alberto Ramos.
VÍDEO: Un petisco de 'Ao son da cociña' Entre fogóns, unha degustación musical e gastronómica en espazos singulares. Velaí a explicación urxente, o resume apurado do que significa Ao son da cociña, a nova xira que iniciará o 7 de xuño Talabarte para dar a coñecer algúns dos novos temas que configurarán o que será o seu segundo disco. Un álbum no que andan xa a traballar Pedro Pascual, Kin García e Quim Farinha, o trío de músicos emblemáticos que conforman a banda. No mes de xuño, estes tres intérpretes ofreceranlles ao público unha primeira parte desta xira, cun total de cinco concertos. Deste xeito, Talabarte tomará o Dolmen de Dombate (o 7 de xuño ás 12.30 horas), subirán a un catamarán pola ría de Pontevedra (o 14 de xuño, con saída dende Bueu e Portonovo), actuarán no Muíño das Mareas de Muros (21 de xuño ás 13.00 horas), visitarán no solpor o Faro do Cabo Vilán ás 20.00 horas (27 de xuño) e pecharán esta primeira quenda da xira no Pazo da Marquesa (San Sadurniño o 28 de xuño ás 13.00 horas). As entradas pódense reservar poñéndose en contacto coa distribuidora Culturactiva, chamando ao teléfono 981 582836. Talabarte contarán en cada un destes concertos coa compaña do cociñeiro Xián Herrera, quen cociñará para ao público durante as actuacións, e co patrocinio de Nordesía. A empresa galega de vermús completará a "music&food experience" coa que Talabarte quere brindarlles aos espectadores unha experiencia cultural única cuxa orixe está en Leonardo DaVinci. O xenio italiano prendeu a mecha deste novo proxecto que explican para Praza Pública dous dos seus compoñentes: Pedro Pascual e Quim Farinha. Como xorde a idea de realizar unha xira para presentar novos temas en espazos singulares e realizando unha mestura da música e gastronomía? Quim Farinha: Basicamente a idea xurdiu no momento en que lemos o libro de DaVinci sobre a cociña: Apuntamentos da Cociña. Pareceunos un libro fascinante, malia que nos decatamos de que é medio fake. Mais gustounos apoiarnos neste concepto, xa que nese libro Leonardo asegura que unha boa cociña funcionaba mellor con música. Por iso colocaba intérpretes na cociña que tocaban durante o proceso culinario. Entón dixemos que podiamos facer tamén a nosa música mesturada coa cociña, transmitíndolle á xente esa mestura de sensacións auditivas, olfactivas e gustativas. "Nese libro Leonardo asegura que unha boa cociña funcionaba mellor con música. Por iso colocaba intérpretes na cociña que tocaban durante o proceso culinario" Falamos de concertos íntimos. Quim Farinha: Si, son prazas reducidas. Entre 50 e 70 persoas. Malia que toda a xira -agás un dos concertos- sexa en sesión vermú, os concertos van ser íntimos. É música para escoitar, queremos fuxir desa imaxe de sesión vermú igual a festa. Isto non se vende como sesión vermú, son concertos nese horario. Precisamente vermú de Nordesía acompañará a Talabarte na xira. Quim Farinha: Si, si. Eles esponsorizan a xira e haberá unha barra de Nordesía. Entón a xente, ao remate do concerto poderá degustar o vermú e acompañalo dos pinchos. Cal será a relación de Leonardo, que é a mecha desta xira, co próximo disco de Talabarte? Pedro Pascual: O concepto leonardístico une diferentes elementos, como ben sabemos todos, dende á arte, á música, á xeometría, os inventos e até a cociña. Ten moito que ver con el, porque primeiro nos apoiamos nese posible fake que é o libro de Leonardo sobre cociña. Nós non entramos nese aspecto sobre o fake, deixamos a cuestión aberta para que o público valore a súa verdade. Esa é un aspecto importante da proposta: deixar as cousas abertas. Pero o que si é verdade é que Leonardo tamén era cociñeiro, un cociñeiro en corpo e alma. Leonardo mantivo un restaurante con Botticelli. "Na xira tamén temos a relación entre a música e a arquitectura. Hai un elemento importante nesta xira que é fuxir de auditorios estándar para converter espazos singulares en auditorios improvisados" Despois, na xira tamén temos a relación entre a música e a arquitectura. Hai un elemento importante nesta xira que é fuxir de auditorios estándar para converter espazos singulares en auditorios improvisados. E cómpre destacar, por suposto, a exclusividade. Comentabas que eran concertos íntimos e niso consiste precisamente. A xente entenderá que é un momento efémero e irrepetible, que poderá gozar ou non, pero que non volverá vivir. Todos estes elementos son moi comúns ao personaxe de Leonardo e por iso quixemos en Talabarte apoiarnos neste personaxe. O contacto directo servirá para rodar os novos temas do segundo disco do grupo. Quim Farinha: En concreto, imos estrear cinco temas novos. "Tamén buscamos meter a xente no novo universo talabartiano que vai estar representado no segundo disco, que coido será máis onírico, máis arriscado" Pedro Pascual: Si, tamén buscamos meter a xente no novo universo talabartiano que vai estar representado no segundo disco, que coido será máis onírico, máis arriscado. Un disco que ten que ver coa gastronomía... Vaia, non sei se é bo ir adiantándoo, pero ben... É verdade que moitos dos temas van ter como fío condutor a cociña, van ser como receitas gastronómicas. E a mellor ocasión para presentalos vai ser esta, cun cociñeiro ao lado cociñando. Trátase dunha unión de expresións artísticas que se vai dar ao tempo, porque non se trata dun pastiche nin dun collage. Dende o momento en que se dea o pistoletazo de saída do espectáculo, a música e a cociña van fluír en paralelo. Non se trata de que el cociñe e que nos toquemos e logo a ver que pasa, non. Haberá unha interactuación. E a que vai saber Talabarte? Porque entendo que a cociña vai estar guiada pola música, vaina levar por un rego determinado, non? Quim Farinha: Pois saberá, sobre todo, moi especiado, con especias de todo o mundo. Pode arrecender a curri nun momento dado, a cuscús ou a chinchulines. Porque claro, porque hai unha parte de Talabarte que viaxa á linguaxe do tango. Entón, os temas que imos estrear arrecenden a esas cousas. Seguimos un pouco tamén a liña do disco anterior, que no fondo representa viaxes a distintos lugares, partindo da música galega para despois ir a outros sitios, cara á fora. Que evolución poderemos atopar entre o primeiro disco que saíu en 2011 e os concertos que escoitaremos agora? Pedro Pascual: O groso sonoro non é moi variable, porque nos seguimos apoiándonos nos tres instrumentos que tocamos. A nós gústanos moito e, malia que tocamos outros, non nos apetece variar esa fórmula tímbrica que tanto nos gusta. Sobre a evolución... É un disco quizais un chisco máis persoal en canto ás composicións, porque son máis arriscadas, máis propias. Coido que están xurdindo temas moi interesantes e relacionados con outras artes. Coa arquitectura, coa gastronomía especialmente... A nós gústanos a cociña, e os nosos ensaios están moi ligados coa cociña, porque antes de ensaiar poñémonos a cociñar. "O groso sonoro non é moi variable, porque nos seguimos apoiándonos nos tres instrumentos que tocamos. A nós gústanos moito e, malia que tocamos outros, non nos apetece variar esa fórmula tímbrica que tanto nos gusta" Desta xira, que lugares lles atraen máis para tocar? Quim Farinha: Son todos lugares moi distintos, cada un deles ten as súas particularidades. A min, quizais o Cabo Vilán me chama bastante. E o de Dombate, pois teño curiosidade por coñecer o espazo. Porque eu coñecín o dolmen cando o estaban a escavar, se cadra fai xa trinta anos... Agora, non visitei o Centro de Interpretación, que me parece polas fotos un edificio curioso e no que pode soar moi ben a música ao ser unha cuberta de madeira. Pedro Pascual: Non me podería decantar, cada un ten unha particularidade. Hai un que xa coñezo, que me encantara tocar alí. Que é o Muíño das Mareas de Muros, que é un muíño que está en medio da ría, estás tocando en pleno mar. É un edificio cunha arquitectura mariñada, moi ben conservada e impresionante. Pero tocar nun barco tamén é precioso. E nun faro? Tamén. Cada lugar ten a súa maxia. É máis fácil pensar en tocar nun barco agora que ofrecer un concerto en Santiago nos últimos anos? Pregunto por toda a polémica que se produciu pola música ao vivo en Compostela e todos os atrancos que xurdiron e que, agora, poden desaparecer tras o cambio de goberno. Pedro Pascual: O caso de Compostela en concreto é unha circunstancia non illada, mais si particular. Unha alcaldía que considera unha serie de queixas e denuncias e decide en contra da música ao vivo. Tamén hai unha problemática moi longa que está aí e que hai que mirar: hai moitos locais que non reúnen os requisitos mínimos para realizar concertos. En calquera caso, falamos xa dunha circunstancia particular que agora pode terminar cun cambio de goberno. "A conxuntura xeral é moi complexa por diversos motivos que levamos arrastrando dende hai moitos anos e que teñen que ver coas condicións laborais e coa protección que si hai noutros países" Por outra banda, a conxuntura xeral é moi complexa por diversos motivos que levamos arrastrando dende hai moitos anos e que teñen que ver coas condicións laborais e coa protección que si hai noutros países. Falamos dun sector que non ten un convenio, que non ten unhas normas e no que, debido á crise, aumentou aínda máis a falta de solidariedade entre os profesionais. A situación levou a que todos teñan unha actitude moi persoal, non hai unha unión e actuamos como nunha guerra de guerrillas. Despois, está a circunstancia lexislativa que é desastrosa. Non hai un país do mundo no que as condicións dos traballadores da música sexan así e que o traballo estea gravado por uns impostos totalmente inasumibles. Un IVE totalmente desproporcionado, o único país de Europa cun IVE deste tipo. Iso, unido despois a unha sensibilización un chisco precaria por parte de medios de comunicación de cara á cultura e á música propias, fai que a situación sexa coma un deserto. Pero en calquera caso, as cousas están nas nosas mans. E se a min non me deixas tocar nun bar, non me importa. Imos seguir coa música, imos seguir facéndoa. E imos facela non nas catacumbas, imos saír. Imos ir a outro tipo de escenarios, a lugares nos que nin sequera se pensaba que se podía facer música. Nós levamos vinte e pico anos de profesión e vivimos moitos tipos de épocas. Unhas de bonanza, outras non... Pero o que está claro é que seguimos vivindo disto. Por algo é. "Non hai un país do mundo no que as condicións dos traballadores da música sexan así e que o traballo estea gravado por uns impostos totalmente inasumibles" Esta é a peor das épocas que pasaron? Quim Farinha: Sen dúbida. Pedro Pascual: Ademais, é unha época desesperanzada. A situación laboral é moi precaria e a actitude cultural do público mesmo mudou. Os medios públicos non apostan pola cultura. E os medios estatais xa nin falamos... Calquera canción que soe en galego, catalán ou vasco, omítese. Non entendo que teñamos que escoitar máis a música en inglés que a feita en Euskadi. Son cousas rarísimas. É a peor época con creces, mais nós seguimos coa ilusión. Quim Farinha: Eu estou con Pedro. Nunca peor que hoxe en día... Lémbrome desa frase: "Nunca traballei tanto e nunca cobrei tan pouco" Quim Farinha: Si, nós igual. "Para os que te contratan, ti tocas unha hora e listo; mais todos sabemos que por detrás hai moitas horas de traballo. Traballo de composición, de ensaio, de formarte como músico, de gastos, de instrumentos, de mantemento" Pedro Pascual: En todas partes baixaron os salarios. E coido que é obsceno, porque canto máis baixas o soldo que recibes polo teu traballo, máis se aproveitan os de arriba. E está claro, está demostrado que, economicamente, baixar soldos e prezos é un erro. A economía vai en retroceso. Quim Farinha: Para os que te contratan, ti tocas unha hora e listo; mais todos sabemos que por detrás hai moitas horas de traballo. Traballo de composición, de ensaio, de formarte como músico, de gastos, de instrumentos, de mantemento... É moito. E moito tempo de pensar, porque para chegar a un concepto musical, tes que investir moitas horas para crealo antes de escribir a primeira nota. Cando queres sacar un disco, tes que envolvelo. Iso é un traballo profesional ben feito. Iso non se valora. E á hora de baixar un caché, o único que se valora é o tempo que se vai tocar. Dinche que que máis che dá vir por 1.500 euros que por 500. Iso non llo fas a un panadeiro, porque sabes que para facer ese pan, o tipo tivo que facelo antes. A nós non se nos recoñece ese traballo previo. Pedro Pascual: A sociedade instalouse dun xeito obsceno no concepto low cost. Terrible. Porque como sigamos así, só vai haber tendas de todo a cen e concertos de todo a cen. Todo low cost non pode ser. Eu non podo comer sempre low cost porque senón en vinte anos vou palmar. Se non como con certa calidade, morro. Se un pobo reduce a súa cultura ao concepto do low cost, ese pobo vai desaparecer. Iso é exactamente o mesmo. Nós alimentámonos así. "Eu non podo comprar nun todo a cen todo sempre, podo facelo de cando en vez. Non podo mercar produto lixo todos os días, produtos totalmente perecedoiros" Quim Farinha: Esa é a sensación que eu teño. Pedro Pascual: Non todo vale. Eu non podo comprar nun todo a cen todo sempre, podo facelo de cando en vez. Non podo mercar produto lixo todos os días, produtos totalmente perecedoiros. Igual na música: non podo consumir música e dicir chao! A música é un ben inmaterial recoñecido por milleiros de organismos do mundo. Non se pode considerar iso low cost. Non pode ser, que botemos catro anos para acadar un novo disco coa súa honestidade precisa e que vaias a un sitio e che entreguen un billete. Quim Farinha: E despois, que fas uns bolos nun verán que sacaches disco e á volta da esquina, xa tes que ter un novo disco. A xente que pensa? Como se xa caducases! Se non tes traballo novo, faise todo moi difícil. Pode parecer que catro anos é moito tempo sen un disco novo. Quim Farinha: Pero se miras a música que temos, decátaste de que é un produto que non se pode facer así como así, non podes facer un traballo así por ano. Imposible. As redes de distribución que hai de música ao vivo, pensan que hai que darlles unha volta? Quim Farinha: Nestas redes danche un caché por grupo e é case unha política de "hala, veña, todo o mundo igual". Non se fai unha diferenciación á hora de pegar cachés polo tamaño nin polo tipo de grupo. Hai grupos de sete persoas e hai outros que son dúas. Para un trío xa non é rendible, imaxínate para un grupo de sete persoas se queres facer o traballo legal. Ás veces parece que para traballar tes que cobrar en B. En realidade, están facilitando iso, obrigándote a traballar nese ámbito. "Hai un fallo, que non é de agora, senón de sempre: Non hai unha diferenciación entre músicos profesionais e amateurs. Iso non o entendo" Pedro Pascual: Hai un fallo, que non é de agora, senón de sempre: Non hai unha diferenciación entre músicos profesionais e amateurs. Iso non o entendo. Nesa rede non se establece ningunha diferenza entre un músico que vive exclusivamente do seu traballo e outro que vai tocar, pero ao día seguinte vai dar clase nun colexio e é funcionario. Non pode ser igual, nin tampouco podemos pagar impostos igual uns e outros. Tiña que haber dous sistemas distintos, como hai en Bélxica ou en Francia. Alí teñen circuítos diferenciados. Pensemos nun panadeiro que se ergue ás cinco da mañá para facer pan e ao lado se pon un tipo que mete dúas barras nun forniño e se pon a vender coas mesmas condicións. Se pasa iso, estamos tolos. Porque ese tipo non paga impostos, non xera o mesmo nivel de riqueza nin ten a mesma paixón sequera. Cada vez que sae unha rede, non se establece unha diferenciación entre amateurs e profesionais. E isto non ten que ver con músicos mellores ou peores. Hai amateurs que poden tocar mellor ca un profesional. Eu non coñezo o caso, pero pode habelos... Pero do que eu falo é unicamente dunha cuestión simplemente xurídica. Comentaba antes Pedro que no sector musical non se conta cun convenio, non hai normas e que hai certa falta de solidariedade. A música chegou tarde ao asociacionismo? Quim Farinha: Nos últimos anos estase a traballar niso. Agora mesmo, nós non somos un sector como pode ser o teatral a nivel de organización, pero a ver... Agora xa temos uns premios da música e hai unha asociación, que é asociación de Músicos ao vivo. Pero vaia, aínda estamos moi verdes. Aínda hai que ver como vai a cousa, ten que medrar. Agora mesmo hai cousas que Músicos ao vivo non pode asumir. "Agora xa temos uns premios da música e hai unha asociación, que é asociación de Músicos ao vivo. Pero vaia, aínda estamos moi verdes" Pedro Pascual: É un fallo garrafal a ausencia de asociacionismo, un erro que foi na nosa contra. E nas nosas mans está solucionalo. É grave non ter unhas normas, un convenio. Mira, é que unha persoa pode ir a algures a tocar unha noite e gañar trinta euros. Iso pasa e iso é grave. Outros sectores están máis unidos e a nós fáltanos ese punto. E logo é verdade que Galicia é un pais de mil musicas: músicos de asociación culturais, bandas de músicos, orquestras, músicos de xéneros moi distintos... En Galicia temos un conglomerado de músicos, de profesionais, moi dispar e mesmo un sector polémico, pero que é un que move moitísimo, que é o das orquestras. E ás veces é complicado darnos unha cohesión. Aínda non apareceu unha entidade visible que nos outorgue esa cohesión, unha organización coa que todos nos poidamos sentir representados. Cando chegue ese momento, será definitivo. O problema é que un músico de jazz non ve, por exemplo, a un músico da orquestra como un similar. Hai que loitar nese camiño. "O problema é que un músico de jazz non ve, por exemplo, a un músico da orquestra como un similar. Hai que loitar nese camiño" E para rematar e volvendo á xira, que podemos contar do cociñeiro? Como xorde a colaboración? Pedro Pascual: A colaboración xorde porque Xián Herrera é músico e iso atraeunos moito. É un cociñeiro novo, que non está premiado e esas cousas. Apostamos un pouco por iso. Non queriamos un dinosauro que se puxera ao lado doutros tres dinosauros. Queriamos algo máis fresco. É un rapaz con moitísimas ganas e que está traballando moito co restaurante La Molinera de Lalín, que está galardoado en varios festivais e ten un prestixio importante. A vantaxe de Xián é que é moi fresco, está conectado coa nova cociña e tamén coa cociña tradicional. Pareceunos perfecta a combinación.
NOS_20502
Antón Fraguas naceu en Cotobade (1905) no seo dunha familia labrega. Esquivou o seu futuro no Brasil grazas a un mestre que lle viu grandes capacidades para o estudo. Acudiu ao instituto a Pontevedra e continuou en Compostela, onde se matriculou en Filosofía e Letras. Influenciado polas vivencias da súa infancia rural, inmisciuse de cheo na dignificación do galego, no que contribuíron Castelao e Cotarelo Valledor. Entregou toda a súa vida a docencia e ao galeguismo, pero tamén desenvolveu labores de etnógrafo, xeógrafo e historiador. Este 17 de Maio dedícaselle o Día das Letras Galegas. Entrevistamos Malores Villanueva, autora de Anton Fraguas. Mestre da memoria (2019).
Fraguas foi un home moi prolífico, que pegada deixou na cultura galega? Na cultura galega penso que deixou o retrato do que somos. Recolleu e foi notario dunha Galiza que se ía esvaendo polos cambios sociais. A súa faceta de etnógrafo é o máis importante da súa achega. Nas súas obras recolle como eramos, a que xogaban os nenos e as nenas, como eran os casamentos, a arquitectura das casas, etc. Recadou toda esa cultura do noso, as nosas raíces e a esencia do que fomos. Se para algo debe servir o Día das Letras Galegas é para estabelecer esa ponte coa Galiza de antes, coa nosa cultura. Algo que Fraguas nos deixou valorar e coñecer. "Fraguas recolleu a cultura e a lingua para enxalzala" Fundou a Sociedade da Lingua. Foi membro do SEG, das Irmandades, do Partido Galeguista e do Instituto Padre Sarmiento. Foi un home moi comprometido coas súas ideas? Si, xa desde que estudaba o bacharelato. Durante esa época creou a Sociedade da Lingua, cuxos estatutos recolle o galego como idioma. Dentro da organización eran moi conscientes da importancia da lingua en todos os ámbitos, querían facer un dicionario para a súa dignificación. O que fixo durante toda a súa vida foi iso, recoller a cultura e o idioma para enxalzala. Unha vez en Compostela relacionouse co galeguismo do momento e converteuse en secretario do Partido Galeguista na Estrada. Se ben é certo que coa guerra dá un paso atrás, non nas súas conviccións, senón na súa implicación política para enfocarse máis na cultura. Até ser director do Museo do Pobo Galego, nunca acaparou os postos principais das organizacións nas que participou. Gostaba de traballar na sombra? Fraguas era un home moi humilde en todas as manifestacións que fixo. Un exemplo disto é o momento no que entrou na RAG para ocupar a cadeira de Castelao, un posto que nunca se considerou digno de ocupar. Non era unha persoa de primeiro plano polo seu carácter, nunca liderou porque non lle gustaba. Tiña un concepto de si mesmo como traballador de base, posto no que fixo moitísimas cousas. Ademais, tras a guerra, estivo moi implicado en volver aprobar as oposicións de docente, para as que se presentou varias veces. "Tras a sublevación fascista, foi sometido a un exilio de interior" Por que a maior parte da súa obra chegou tras o golpe de Estado? Antes do franquismo, durante a súa participación como membro do SEG, xa se viu inmiscido nun dinamismo galeguista cultural. No seminario realizábanse moitos traballos de campo nos que participou como etnógrafo. Se ben, tras a sublevación fascista, foi sometido a un exilio de interior, o que o levou a refuxiarse na escritura e na investigación. Non puido volver desenvolver a súa proxección pública de secretario e mestre, e centrouse en desenvolver a súa tese e as súas obras. Vostede é de Cotobade, como se percibe a figura de Fraguas na súa vila natal? Con moito orgullo. Antón Fraguas é coñecido por todos nós, aínda hai moita xente que o recorda porque faleceu en 1999, data que non queda tan lonxe. Foi unha persoa que recolleu as nosas raíces para espallalas e dignificalas. É unha honra que alguén que representa esa Galiza rural emigratoria conseguise estudar e chegar a ser un persoeiro importante da nosa cultura, a ser un mestre moi valorado, un xeógrafo, un etnógrafo e un historiador. Sempre sen esquecer de onde procedía, sempre co orgullo de ser galego e de Cotobade e de ter unha cultura e unha lingua de noso. Pese a todo o seu sufrimento, nunca renunciou a isto.
NOS_19953
A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de anunciar o seu apoio á campaña cidadá que reclama á multinacional sueca Ikea o emprego do galego nos seus centros comerciais. Ademais, afirman desde o organismo da Xunta, poñen á disposición da mesma "medios técnicos de asesoramento".
O departamento que dirixe Valentín García enviou tamén un "completo escrito" a Ikea Madrid e Ikea A Coruña en que "pon de manifesto as vantaxes de galeguizar a súa cadea comercial" en Galiza. A popular rede de tendas de mobles só emprega, no Estado español, o euskera, o catalán e o castelán, tanto na súa páxina web como na atención telefónica á clientela. Unha mensaxe viral, que circula polos teléfonos móbiles e redes sociais, asegura que desde a empresa "din que non teñen opción en galego porque non se solicita". Para facelo, a campaña anexa un formulario. A Mesa fai parte da campaña para pedir que o galego exista en Ikea. A organización presentou recentemente unha iniciativa lexislativa popular (ILP) apoiada por máis de 27.000 sinaturas para recoñecer o dereito a ser atendidos en galego no ámbito socioeconómico.
PRAZA_10985
A asociación de profesionais da bibliotecas Bamad-Galicia, a asociación veciñal Novo Vigo, Marea de Vigo ou BNG critican a nova instalación municipal e reclaman a posta en marcha dunha rede municipal de bibliotecas na primeira cidade de Galicia.
Nuns días inaugurarase no barrio vigués de Navia unha nova "Biblioteca", como así foi definida polo Concello. O espazo, reivindicado dende hai anos pola veciñanza desta populosa área, duns 10.000 habitantes, conta con grandes dimensións e ao redor de 200 postos de lectura (ampliables se fose necesario), pero carece de libros e tamén de ordenadores para o seu uso público."Facía moita falla un espazo de estudo no barrio, pero a pesar do tamaño do local, non terá nin unha pequena biblioteca na que poder consultar, trocar ou ler", di a asociación veciñalA nova instalación municipal xa foi duramente criticada pola Asociación Veciñal Novo Vigo, que sinala que "facía moita falla un espazo de estudo no barrio, pero a pesar do tamaño do local, non terá nin unha pequena biblioteca na que poder consultar, trocar ou ler". "No seu día dixemos e publicamos varias veces que non ía ser biblioteca, e non nos creron, reclamamos varias veces a necesidade dunha biblioteca así como tamén presentamos proxecto por rexistro para o uso do local con máis de 3.000 sinaturas da veciñanza do barrio apoiándonos, e caeu en 'saco roto' no Concello", lembran. "Agora temos un espazo de lectura, necesario pero totalmente insuficiente para as necesidades do noso barrio", conclúe a entidade.Ás criticas veciñais uníronse tamén as da Marea de Vigo e mais do BNG, que poñen sobre a mesa o problema da carencia de bibliotecas nos distintos barrios da cidade. Mentres unha cidade de poboación semellante (e moita menor superficie) como A Coruña ten oito bibliotecas municipais (ademais dunha estatal e outra provincial), Vigo só conta coa Biblioteca Pública Juan Compañel, de xestión mixta Xunta/Concello, e a Biblioteca Pública Neira Vilas, de propiedade municipal e de xestión privada, no barrio do Calvario."Esta é a nova dimensión das políticas culturais da cidade, supón un grande avance porque Vigo tiña carencia de bibliotecas", di Abel CaballeroO alcalde de Vigo, Abel Caballero, presumiu hai uns días de que coa nova instalación que entrará en servizo en Navia, na que se investiron 500.000 euros, a cidade contará con "máis de 800 postos de lectura". "Xa estamos entrando nun rango de número de postos de lectura que Vigo necesita", afirmou Caballero, que conclúe que "esta é a nova dimensión das políticas culturais da cidade, supón un grande avance porque Vigo tiña carencia de bibliotecas"."Cremos que a maior cidade de Galicia debe contar cunha boa rede bibliotecaria municipal que permita dotar de servizos todos os barrios", di BamadA apertura deste novo espazo en Navia foi tamén criticado pola Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (BAMAD). "As bibliotecas non son salas de lectura. A sala de lectura é un dos servizos que pode ser dado polas bibliotecas pero non o único. Para contar con servizos bibliotecarios a biblioteca debe contar cun tamaño adecuado, contar con documentos (libros e outros soportes de información) e estes deben estar xestionados de maneira profesional (xestión documental) por un persoal adecuado ao tamaño da biblioteca e ao número da poboación que debe atender", sinala nunha carta enviada a Abel Caballero."Cremos que a maior cidade de Galicia debe contar cunha boa rede bibliotecaria municipal que permita dotar de servizos bibliotecarios todos os barrios e ofrecer os seus servizos á maioría da poboación do seu concello", subliña a entidade, que lembra os Estándares de Bibliotecas públicas definidos pola Xunta de Galicia, que fixa os servizos, dotación de persoal e demais características que debe cumprir unha biblioteca para ser considerada como tal. A Coruña conta con 8 bibliotecas de barrio (ademais dunha estatal e unha provincial) fronte ás dúas instalacións das que dispón VigoAdemais, eses estándares inclúen unha serie de recomendacións para cada localidade en función da súa poboación. Para unha cidade como Vigo (de máis de 200.000 habitantes) o documento fixa a necesidade de que conte cunha biblioteca central e un mínimo de seis bibliotecas de proximidade.Hai tres anos o editor e mestre Manuel Bragado reclamaba para o barrio de Navia neste artigo "unha biblioteca pública dinamizadora, á semellanza da Xosé Neira Vilas, que funciona con éxito no Calvario, capaz de tecer comunidade e contribuír a arraizar a unha veciñanza que precisa de sinais de pertenza e identidade. No actual proceso de hibridación informacional, a biblioteca pública constituíuse na primeira institución cultural das comunidades locais. A nova Navia precisa unha biblioteca con urxencia".Hai dous anos abriu tamén no barrio de Bouzas unha sala de lectura situada na Casa do Patín, nun proxecto no que o Concello tamén renunciou a instalar unha biblioteca. Nun futuro inmediato só está prevista a posta en marcha por parte do Concello da Biblioteca de Teis, no edificio da Seguridade Social, pero aínda non está confirmado se se tratará dunha sala de lectura ou dunha verdadeira biblioteca. Ademais, está prevista a construción da Biblioteca do Estado na rúa Lalín. Porén, tamén este proxecto xerou varias dúbidas nas últimas semanas.Persiste a dúbida sobre o propio futuro da biblioteca Juan Compañel unha vez que a Biblioteca do Estado entre en funcionamentoEste martes o Goberno central respondeu no Congreso a unha pregunta realizada por Galicia en Común sobre os prazos de execución da nova Biblioteca do Estado, informando de que o proxecto de execución se adía ata o ano 2021. "Se non temos proxecto antes de 2020 é que non teremos Biblioteca do Estado en Vigo ata dentro de polo menos catro anos", denunciou Yolanda Díaz.Ademais, persiste a dúbida sobre o propio futuro da biblioteca Juan Compañel unha vez que a Biblioteca do Estado entre en funcionamento, xa que en principio os seus fondos e persoal serán trasladados á nova instalación. A Xunta comprometeuse a manter os "usos culturais" do actual espazo da Juan Compañel, situado na Cidade Vella. Porén, o BNG esixe que o inmoble se converta nunha "biblioteca de barrio" para manter o actual servizo ao centro da cidade.O BNG propón unha biblioteca móbil que percorra os diferentes barrios e parroquias "diante da falla de vontade política do Goberno local para poñer en marcha a rede municipal"O BNG critica tamén "a equiparación confusa que se está a facer entre salas de lectura e bibliotecas". "Non hai biblioteca sen persoal bibliotecario, que oriente, que catalogue, que axude á comunidade lectora a coñecer os seus fondos, que dirixa a adquisición de novos libros e que dinamice", afirma o concelleiro Xabier Pérez Igrexas.A formación nacionalista vén de propoñer que o Concello se dote dunha biblioteca municipal móbil que percorra os diferentes barrios e parroquias "diante da falla de vontade política do Goberno local para poñer en marcha a rede municipal de bibliotecas". "O que hai en Navia é un espazo moi diáfano pero que só está dotado de mesas e cadeiras, cero libros e cero persoal bibliotecario, e cero oportunidades, polo tanto, de que nese barrio se promova a lectura para democratizar o acceso á cultura precisamente a través dos libros", conclúe Igrexas.
NOS_51170
Facer parodia de Hitler e do Holocausto é un tema que pode ferir moitas sensibilidades. Por iso hai que facelo ben.
A parodia con maiúsculas neste senso é O gran ditador de Chaplin. Máis tarde Lubitsch faría Ser ou non ser e, décadas despois, Benigni A vida é bela. Todas elas cun equilibrio, case máxico, entre comedia, emoción e discurso antifascista. Tamén Tarantino fixo a súa comedia de ficción histórica-xusticeira, pero xogaría noutra liga. Jojo rabitt | 2019 | Taika Waititi | 108 m. Con Jojo Rabbit, Taika Waititi vén unirse á selecta escolma dos Chaplin, Lubitsch e Benigni. O director neocelandés xa apuntaba maneiras desde que saltou á palestra coa divertida O que facemos nas sombras, unha comedia de vampiros, en forma de falso documental, do mellor que se fixo neste subxénero no que vai de século e que, ademais, foi determinante para que Marvel se fixase nel para impregnar do seu sentido de humor Thor: Ragnarok. Waititi escribe o guión de Jojo Rabbit tomando de base a novela O ceo engaiolado de Christine Leunens. Jojo (Roman Griffin Davis) é un neno das Xuventudes Hitlerianas con moita imaxinación e ganas de comer o mundo. Un día descobre que na súa casa vive agochada unha nena xudía (Thomasin McKenzie). Con axuda do seu "amigo imaxinario" Hitler (Taika Waititi), tratará de que os seus pensamentos non se desvíen do ideario nazi. O estilo visual aseméllase ao de Wes Anderson e, de feito, hai momentos con moitos paralelismos con Moonrise Kingdom. O de pór un amigo imaxinario (co aspecto de Hitler) a un protagonista co alcume de Rabbit (coello) ten que ser, á forza, unha chiscadela velada ao Invisíbel Harvey, filme dos 50 no que James Stewart tiña un amigo imaxinario con forma de coello xigante. Nada máis comezar, e co fin de descolocar o persoal, Waititi compara coa beatlemanía a fascinación por Hitler, os nazis, as esvásticas e todo o relacionado co fascismo. A partir dese instante xa intuímos que o filme non vai descorrer, precisamente, polo politicamente correcto. Despois de ver Hitler facer o ganso ao lado do neno protagonista ou como as gastan Sam Rockwell e Rebel Wilson nun campamento para nenos nazis, as bágoas comezan a brotar... de risa. Pero aviso... non todo son risas. A trama transita, a conciencia, por diferentes estados de ánimo conseguindo que o público acabe pasando da bágoa de risa a asomar unha de tristura. Atención a Scarlett Johansson. Entremedias romanticismo, moito xogo de palabras, humor absurdo e mensaxe humanista. Opta a seis Bafta e seis Óscar, incluíndo o de Mellor Filme.
NOS_48339
Investigacións científicas na Antártida confirman a existencia dun "refuxio climático" no remoto mar de Weddell. A proba: case 40.000 crías de pingüíns Adelaida en tres puntos do mar de Weddell. Após unha década, as colonias desta especie permanecen estábeis.
Greenpeace realizou durante o mes de xaneiro unha expedición antártica con científicos a bordo da Universidade de Stony Brook (Nova York, EEUU) na que descubriron que vastas colonias de pingüíns Adelaida (tamén coñecidos como Adelia) mantivéronse estábeis durante a última década no remoto mar de Weddell. Isto, afirma a asociación ecoloxista, proporciona unha nova evidencia real de que estas áreas son un refuxio climático para estas poboacións de pingüíns Adelaida, considerada unha especie sentinela. Un refuxio esencial As colonias de Adelaida en Penguin Point, Devil Island e Vortex Island teñen un tamaño de poboación máis ou menos similar ao da última vez que foron rexistradas. Os científicos contaron 21.500 pitos de Adelaida en Penguin Point, 11.978 en Devil Island e 6.397 crías en Vortex Island. Todos foron estudados por última vez antes de 2010. Polo que este descubrimento supón un importante reforzo á teoría de que o mar de Weddell pode proporcionar un refuxio importante para a biodiversidade dos peores impactos da crise climática. Mar de Weddell O mar de Weddell é o espazo mariño onde se propuxo por primeira vez hai case unha década unha gran Área Mariña Protexida (AMP) pola Comisión do Océano Antártico (CCAMLR nas súas siglas en inglés) que aínda non foi aprobada. Os datos recollidos agora reforzan a necesidade urxente de protexer e preservar o mar de Weddell mentres poida conservar un ecosistema intacto e en pleno funcionamento estrutural, defende Greenpeace, que volve pór o foco sobre un Tratado Global dos Océanos. "É asombroso ver lugares da Antártida que aínda están protexidos dos peores impactos da crise climática. Os gobernos necesitan protexer xa esta área. O ano pasado, fracasaron unha vez máis en darlle ao mar de Weddell a protección que necesita, unha década despois de prometer a súa protección. Instámolos a que actúen antes de que sexa demasiado tarde", declarou Louisa Casson, responsábel da campaña desde o Arctic Sunrise no mar de Weddell. Na actualidade, só o 5% das augas antárticas están protexidas, a pesar do compromiso que tiña a Comisión de ter completada unha rede representativa de áreas mariñas protexidas para 2012, salienta Greenpeace. Protección Neste sentido, advirte que a semana pasada, os científicos de Stony Brook a bordo do Arctic Sunrise descubriron unha nova colonia de cría de pingüíns papúa na illa Andersson. Este descubrimento proporciona pistas de que o ecosistema no límite externo do mar de Weddell está a cambiar, aínda que de maneira que non parece impactar negativamente nos pingüíns Adelaida. "O mar de Weddell dificilmente é inmune ao cambio climático, pero parece que os pingüíns Adelaida que se reproducen nesta área permanecen protexidos da peor das ameazas ás que se enfrontan esas poboacións que diminúen tan rapidamente no lado occidental da península Antártica, onde as temperaturas están a aumentar. A nosa comprensión da ecoloxía nesta paisaxe inhóspita continúa crecendo cada ano, pero todo o que aprendemos apunta cara ao seu valor para a conservación", conclúe a doutora Heather J. Lynch, profesora de Ecoloxía e Evolución na Universidade de Stony Brook.
NOS_41911
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, revela un posíbel documento da delegación de Ferrol na que se fala dun acto de lembranza do afundimento "do submarino C5 da escuadra vermella en 1937 coa linguaxe propia da Guerra Civil e do franquismo".
O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Ministerio de Defensa que investigue a suposta celebración "do afundimento en 1937 dun submarino da 'escuadra roja'" nas instalacións da Armada en Ferrol. Despois de ter acceso a un documento supostamente oficial da Subdirección da Escola Naval da Graña, o deputado Néstor Rego destaca que na orde do día 1 de xaneiro o apartado efemérides estaba protagonizado por unha lembranza a ese feito. Rego lamenta que se empregase "linguaxe propia da Guerra Civil e do franquismo" e advirte de que, de ser certo, "sería un feito gravísimo". O texto completo, como se pode ver na imaxe, recolle: "Nos primeiros días de xaneiro do ano 1937 desapareceu con toda a súa dotación o submarino da escuadra vermella C5, mandado polo heroico Tenente de Navío Don José Lara y Dorda, que o afundiu ao fracasar o seu atrevido plan para se apoder do buque e pasar con el á Frota nacional. Houbo outros casos en que os oficiais aparentaron servir os vermellos, con grande risco das súas vidas, evitando con habilidade e engano efectuar ataques aos buques nacionais. Se se apercibir a dotación destas manobras terían sido mortos no acto". Ante esta lectura, o Bloque considera que este feito súmase a outros recentes "como as cartas de altos mandos militares na reserva a Felipe de Borbón con propósitos golpistas e antidemocráticos". Tamén lembra a saída a luz dun vídeo "de militares en activo cantando cancións fascistas, un deles na Escola Naval de Marín". "Semella que o Exército español continúa operando en chaves políticas e ideolóxicas da guerra e do franquismo; é o resultado da chamada 'Transición' e da falta de ruptura democrática coa ditadura", comenta o deputado. De investigarse todos estes episodios e darse por certos, Rego considera que o Goberno do Estado español ten que "depurar responsabilidades diante desta sucesión de actividades antidemocráticas no seo do Exército, que ameazan os dereitos e as liberdades públicas".
NOS_51562
A redución do cadro de persoal producirase cando se convoquen concursos de traslados. O proxecto dos orzamentos de 2013 suprimirá estas prazas ocupadas por interin@s
No seu Plan de recortes o PP mete as tesoiras na súa propia estrutura administrativa, após a drástica redución en profesorado e na rede sanitaria pública. A estratexia que empregará o goberno de Feijóo engade elementos legais que deixarán sen traballo alomenos a 1.153 persoas que arestora teñén contrato de interinaxe coa Xunta máis 317 puestos docentes en Educación. A maiores de non cubrir as xubilacións que se produciron en anos anteriores e as que se producirán neste, non se cubrirán outra prazas incrementando a carga de traballo para o resto de traballador@s. No artigo 24 do Proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma Galega 2013, o goberno galego sinala que non dotará económicamente estas prazas que agora están sen ocupar. Para a CIG este ponto "supón a perda de emprego dos interinos con falta de expectativas laborais". @s interin@s quedarán na rúa sen posibilidade de traballar cando cheguen os concursos de traslados. A medida que propón o goberno galego afectaría a todas os grupos e niveis da administración pública e a todas as consellarías agás Vicepresidencia. Logo o funcionariado Segundo a CIG con este proxecto representaría un 11%, pasando de 10.649 prazas de funcionarios en 2012 a 9.496 en 2013, un recorte que representaría o 11% en total. "Hoxe son os interinos, mañá serán os funcionarios de carreira", sinalan desde o sindicato que asegurou que o servizo na Xunta "non será o mesmo" e abre a entrada "ás empresas privadas" na xestión pública.
PRAZA_11038
A represión legal e política da loita pola autodeterminación catalá terá, xa está a ter en realidade, consecuencias para as liberdades democráticas non tan só en Cataluña senón en todo o reino de España.. As próximas semanas serán decisivas.
Desde o ano 2012 a manifestación do 11 de Setembro, día nacional de Cataluña, é a de maior participación ininterrompida de toda Europa. En números absolutos. E proporcionalmente a equiparación con zonas xeográficas próximas é moi chocante. Para facernos unha idea, é coma se no reino de España realizásese unha manifestación cunha participación de entre 3,7 e 7,4 millóns segundo tomemos as cantidades de medio millón ou o millón enteiro no caso catalán. A do ano 2019 congregou a máis de medio millón, segundo a garda urbana, e noutros anos a cifra pasou folgadamente do millón. Aínda se descontásemos algúns centos de miles, incluso algún millón, por razóns de distancia xeográfica do lugar onde se realizase esta hipotética manifestación no reino de España (en Cataluña realízanse as concentracións en Barcelona a bastante máis de 100 quilómetros de moitas localidades) acadas os 4, 5, 6 ó 7 millóns é algo que está lonxe da realidade. Para gardar as proporcións.Este 11-S era o segundo da resistencia antirepresiva. Boa parte da poboación partidaria do dereito á autodeterminación, ao redor do 80% segundo repetidas enquisas, e máis aínda o 50% da poboación, punto arriba ou abaixo, que está a favor da independencia, ten asumido que a situación política catalá é moi diferente á vivida entre 2012 e 2017. Se os 11-S daqueles anos foron de alegría e euforia —en moitos casos completamente infundada, e en non poucos alentados por uns políticos que fomentaban o "independentismo máxico", coma se diante non houbese, como lembrou varias veces Josep Fontana nos últimos anos da súa vida, un estado con exército, sistema xudicial e ganas de reprimir—, os de 2018 e 2019 foron de aceptación de que a resistencia debe ser longa e a loita antirepresiva esixe fondo. É perfectamente lexítimo, como fixo especialmente a prensa española monárquica, manter que este 11-S tivo unha asistencia dun 40% menos que o ano anterior —o que, sexa dito de paso, supón aceptar que o ano pasado foi dun millón, cantidade moi remisa a ser recoñecida pola mesma prensa no seu momento—, como o é constatar que 600.000 persoas nunha situación nada eufórica como era a de anos anteriores, non é unha cantidade que se poida desprezar. Pero tamén é constatable que este 11-S reflicte que foise aposentando unha certa convicción: as grandes manifestacións seguen sendo necesarias, pero os gobernos españois (onte do PP, hoxe do PSOE[1], os dous tradicionais partidos dinásticos) as seguirá menosprezando. E, segue esta convicción, deben facerse outras moitas cousas ademais da habitual manifestación de masas do 11-S. E outra convicción máis ou menos estendida: as eleccións tampouco bastarán. Imaxinemos algo que é imposible de darse na realidade: que todos os deputados e deputadas cataláns fosen partidarios do dereito á autodeterminación porque case o 100% da poboación fose. Nunhas eleccións para as Cortes españolas, representaría 48 deputados (de 350) e 24 senadores e senadoras (de 265). Moi poucas forzas. Pero a situación ben distinta é que a monarquía puidese aguantar a resistencia continua non xa do 100% senón do 80% da poboación de Cataluña a favor do dereito de autodeterminación (o de "todos os cataláns" é pura demagoxia e non das máis sofisticadas como o propio Sánchez sabe dabondo). E aquí radica unha das diferenzas importantes. A parte da poboación que apoia o independentismo nalgunha das súas múltiples expresións política é unha parte importante pero parcial da poboación soberanista, e é a que se mobilizou estes anos. A poboación soberanista pero non independentista permaneceu en gran parte pasiva. É a diferenza entre o 50% e o 80%. Que o lema elixido pola ANC (Assemblea Nacional Catalá) para a manifestación deste 11- S fose "Obxectivo independencia" seguramente non foi o máis idóneo para motivar aos sectores soberanistas non independentistas. Ante unha situación así, que dúbida cabe que deben buscarse alianzas con forzas políticas españolas que defenden, aínda que sexa coa boca pequena, o dereito de autodeterminación. Descartada calquera veleidade armada, como parece moi razoable facelo por moitos motivos políticos e morais, non queda outra que a resistencia prolongada e gañar aliados fóra de Cataluña. E aquí o debate sobre unilateralismo e acordo pactado é inevitable, pero tampouco tan insalvable como ata o de agora parecen defender os partidarios de cada unha destas posicións. Goberno, exército, poder xudicial e demais institucións da monarquía historicamente negadoras da soberanía de Cataluña dificilmente admitirán a negociación do que importa, o referendo de autodeterminación, se en Cataluña non hai unha resistencia masiva e constante, e evidentemente esta situación pode tomar moi diversas formas, que poña en auténticos problemas a estas institucións. Problemas internos e externos, dentro das fronteiras do reino e fóra delas. A legalidade vixente que se tenta cambiar parcialmente debe ser tamén importunada e contestada. Ou é concebible unha loita contra determinada legalidade que non supoña una certa desobediencia á devandita legalidade? A magnitude desta desobediencia depende, unha vez máis, da magnitude das forzas que a apoian. O sufraxio universal, unha das moitas conquistas do movemento obreiro, non se conseguiu respectando a legalidade do sufraxio censitario; o dereito de folga conseguiuse contra a legalidade vixente da prohibición do dereito de folga; o dereito ao aborto conseguiuse contra a legalidade vixente da prohibición do aborto, etc. A mobilización e a negociación ou o acordo, aínda que sexa parcial, foron historicamente xuntos nestes exemplos e outros que poderían engadirse.Soamente cando unha das partes é moi desproporcionadamente forte pode impoñer as súas condicións á outra parte se está neutralizada. E o estado monárquico español é indubidablemente máis forte en forzas represivas que a mobilización catalá pola autodeterminación, pero a resistencia popular ten cambiado en multitude de ocasións esta desproporción de forzas. A represión pura e dura non se pode aguantar indefinidamente. O goberno e as distintas institucións españolas están a facer o cálculo de que o proceso de resistencia pola autodeterminación se debilite notablemente. É unha aposta que vén de longo —lembran o soufflé que sempre había de desinflarse en pouco tempo?—. É unha hipótese que como todas as que merezan o nome de tal pode verificarse no futuro. Pode dar no branco. Pero tamén pode resultar errada. Iso tamén o saben os que realizan a "hipótese do enfraquecemento". Poucas horas antes deste 11-S, Óscar Camps, director de Open Arms, e Carola Rackete, a capitá de barco que desafiou ao xenófobo italiano Salvini, foron premiados coa Medalla de Honra do Parlamento de Cataluña. Feito que pasou moi desapercibido no reino de España máis aló de Cataluña. Cando o adestrador de futbol Pep Guardiola dirixiuse a eles no mesmo acto pediulles: "En alta mar, rescatar non é un permiso, senón un deber e unha obriga". Carola Rackete, que sabe o que é desafiar determinadas leis, declarou: "Sabemos que as leis son un acordo social e poden cambiar cando cambia a sociedade, como ocorreu co escravismo e o sufraxio universal; as leis non determinan o que é moralmente correcto." Outra mostra sobre o desafío ás leis e a xustiza de facelo en determinados casos. «Durante sete anos consecutivos, oito contando coa Diada de 2019, que, previsiblemente será similar, máis dun millón de cidadáns, con formatos diversos, saíron á rúa para expresar que non consideraban aceptable a fórmula "inventada" en 1978 para a integración das "nacionalidades" no Estado, consistente no pacto entre o Parlamento da "nacionalidade" e as Cortes Xerais e a celebración dun referendo sobre o contido do devandito pacto. O Estatut vixente non é o que se pactou entre o Parlament e as Cortes Xerais e foi referendado polos cidadáns de Catalunya, senón que é o Estatuto que o PP impuxo a través do Tribunal Constitucional.» Non son palabras ditas ou escritas por unha persoa partidaria da independencia de Cataluña. Nin moito menos. Foron escritas polo catedrático sevillano de Dereito Constitucional Pérez Royo dous días antes deste 11-S. A sentenza contra os presos e presas políticos cataláns espérase que se faga pública —porque decidida son moitos os que en Cataluña pensan que xa o era antes do xuízo— en breve. Tamén se espera que sexa moi dura. Calquera cousa que non sexa a absolución, considerarase inxusta por unha gran parte da poboación catalá, non soamente a independentista. Recentemente, nunha entrevista Xavier Domènech, antigo dirixente de En Catalunya Podem declaraba: "A sentenza é das máis bestas que viviría este país". E a continuación, referíndose ás máis que probables eleccións españolas e catalás nos próximos meses: «Estas eleccións deberían ser o gran plebiscito sobre a amnistía, que é un concepto cun significado historicamente importante: durante o antifranquismo, non se reclamaba o indulto, senón a amnistía, que é o recoñecemento de que non había delito. Isto converteuse no gran eixo de mobilización de masas, porque era unha reivindicación defensiva pero, ao mesmo tempo, a súa aprobación cambiaba o marco político-. Agora é o que une máis o conxunto da sociedade catalá, e, se hai unha gran vitoria en Cataluña, sitúa claramente a gobernabilidade de España en mans diso. Creo que os primeiros que tomen esta bandeira serán os que acertarán as eleccións.» A situación económica non apunta precisamente a un horizonte luminoso, como o mesmo presidente do Banco Central Europeo declarou o día despois do 11-S. Ata un político como Felipe González declarou que a xente non soportaría outra crise económica. Os custodios do réxime están preocupados. Cunha sentenza que causará indignación non soamente en Cataluña, cunha situación económica que será choiva sobre terreo moi mollado[2], cunhas eleccións en perspectiva que poden ser explosivas…hai motivos para que os gardiáns do réxime do 78 estean preocupados. Un réxime cuxos dous dos seus grandes alicerces son a monarquía borbónica e a unidade indisoluble da nación española. É dicir, un réxime que se construíu contra calquera veleidade republicana e contra tamén o dereito á autodeterminación. Defendeuse moitas veces en SinPermiso: a represión legal e política da loita pola autodeterminación catalá terá, xa está a ter en realidade, consecuencias para as liberdades democráticas non tan só en Cataluña senón en todo o reino de España. Esta é a razón principal que a resistencia ante esta represión, unha compoñente da cal será a loita pola amnistía dos presos políticos e os exiliados, non soamente sexa un "asunto catalán". As próximas semanas serán decisivas. Notas[1] A portavoz do Partido Socialista de Cataluña, Eva Granados, declarou recentemente: "Non debe ser a cidadanía quen dirima unha cuestión tan importante como a autodeterminación". Este é o nivel. Nivel que está en consonancia con declaracións tipo Albert Rivera de que o 11-S é unha manifestación de odio e coas de Pedro Sánchez sobre que hai que resolver o "clima de convivencia en Cataluña" e que o 11-S ten que ser de "todos os cataláns" (imaxínanse? Republicanos e borbónicos unidos nun acto: pura maxia). Innecesario é apuntar declaracións adicionais de dirixentes do PP ou doutros do PSOE ou de Ciudadanos porque as anteriores son unha mostra suficiente, e non precisamente da peor e máis desfavorable aos declarantes, sobre o nivel intelectual e político de determinadas forzas políticas cando tratan da realidade catalá. [2] Para a poboación non rica. Nos últimos anos houbo un incremento de ricos no reino de España. Efectivamente, "O patrimonio dos ricos dispárase en máis de 130.000 millóns de euros e increméntase un 24,5% no primeiros catro anos de 'brotes verdes' mentres as mellora das rendas dos fogares non alcanza o 9% e a taxa de pobreza permanece practicamente conxelada para seguir afectando a máis da quinta parte das familias." https:/www.publico.es/economia/impuesto-patrimonio-aumenta desigualdad-fortunas-crecen-triple-renta-familias.html
NOS_24598
A violencia entre militares, partidari@s e detractor@s de Mohamed Morsi fai estourar de novo o conflito no Cairo. Esta sexta feira a Irmandade Musulmá convocou unha manifestación contra o goberno golpista e a prol da posta en liberdade do líder islamista
As axencias de noticias internacionais informan de máis de 50 persoas mortas nas rúas da capital exipcia mais tamén noutros puntos do país. Os enfrontamentos entre as forzas policiais e militares e @s manifestantes producíronse após a chegada da manifestación convocada pola Irmandade Musulmá á praza Ramsés (Cairo). No entanto, o conflito desenvolveuse tamén entre partidari@s do goberno golpista e seguidor@s de Mohamed Morsi. Esta sexta feira a Irmandade Musulmá convocou unha mobilización coincidindo co rezo da sexta feira. A manifestación tiña por obxecto denunciar a represión sofrida pol@s seguidor@s do presidente Mohamed Morsi a pasada terza feira onde foron asasinadas máis de 600 persoas --segundo fontes gobernamentais.
NOS_7404
Estivo ben perto o pleno de imbatibilidade dos equipos galegos na Primeira, a Segunda e a Primeira RFEF, pois o Celta venceu o Raio Vallecano (2-0) e o seu filial fixo o propio ante o do Valladolid (1-3), Lugo empatou coa Real Sociedade B (1-1), mesmo resultado que obtivo o Rácing ante o Badaxoz, pero o Dépor caeu co Irún.
A inactividade non pasou factura a un Real Club Celta que, a pesar da parada de dúas semanas, continuou exhibindo boas sensacións ante un rival directo na loita por Europa como é o Raio Vallecano, a quen superou por 2-0, ambos os tantos materializados por un Brais Méndez en estado de graza coincidindo co partido 150 como celeste do centrocampista. Este resultado deixa os da cidade olívica na décima posición, a cinco puntos duns postos europeos cos que compite con Atlético, Real Sociedade, Athletic, Valencia e o propio Raio. O Lugo suma e segue Pola súa banda, o Club Deportivo Lugo foi quen de dar continuidade á súa fantástica xeira de imbatibilidade -que xa supera os tres meses- ante unha Real Sociedade B que a pesar de estar afundida no penúltimo chanzo da táboa realizou un dos seus mellores papeis no que vai de tempada. As novas promesas txuri-urdin, dirixidas polo lendario Xabi Alonso, axexaron a portería albivermella desde os primeiros instantes de xogo, acumulando até catro disparos a porta nos 10 primeiros minutos de partido. Afortunadamente, os galegos foron quen de conter as impetuosas acometidas donostiarras e, facendo bo aquel vello dito do fútbol de "quen perdoa, paga", adiantáronse no marcador pouco antes do descanso da man de Manu Barreiro desde os 11 metros. Porén, esta vez non foron quen de anular a reacción dun filial branquiazul que subiu ao marcador o definitivo empate a un gol no minuto 72 (Jon Karrikaburu). Ouro, prata e bronce na Primeira RFEF Na terceira categoría, e trazando un paralelismo cos Xogos Olímpicos de Inverno que se están disputando estes días en Pequín, o ouro clarísimo foi para un Celta B que obtivo a súa cuarta vitoria consecutiva a costa doutro conxunto filial, o do Real Valladolid (1-3). A medalla de prata gañouna un Rácing de Ferrol que conseguiu volver da visita a un campo complicado como é o Nuevo Vivero de Badaxoz cun punto (1-1) tras comezar por detrás no marcador, mentres que o evidente terceiro posto neste pequeno ránking está claro que pertence ao Deportivo, inoperante no seu propio campo ante a súa besta negra esta tempada, o Real Unión de Irún (1-2).
NOS_56108
A investigación criminal deu comezo tras o asasinato en setembro de 2013 do rapeiro anti fascista Fyssas Pavlos.
O Tribunal de Apelación de Atenas sentenciou que é unha organización criminal ao termo dun proceso que se prolongou durante máis de cinco anos e cuxo resultado foi recibido con aplausos polas miles de persoas que se concentraron nas rúas da capital grega. A investigación criminal deu comezo tras o asasinato en setembro de 2013 do rapeiro Fyssas Pavlos, de 34 anos de idade e coñecido polo nome artístico de Killah P., que morreu de varias puñaladas a mans dun home que traballaba na cafetería das oficinas do partido nazi. No banco de acdusados sentáronse máis de 60 membros da formación ultradereitista, entre eles o seu líder, Nikolaos Michaloliakos, responsábel por tanto de dirixir unha organización criminal. A corte tamén considerou culpábel ao autor do asasinato do rapeiro, Giorgos Roupakias. A multitude que se reuníu ante o tribunal de apelación, entre quen se atopaba o ex primeiro ministro Alexis Tsipras, celebrou os veredictos. Tamén a nai de Fyssas Pavlos estaba presente nesta mobilización, emocionada tras decatarse da sentenza, segundo a televisión pública ERT. Amencer Dourado chegou a ser a terceira forza parlamentaria do país con 18 dos 300 escanos do Parlamento, desde onde denunciou que esta investigación é unha persecución xudicial contra os seus membros. Con todo, nos últimos comicios parlamentarios en Grecia, a formación non conseguiu superar o 3 por cento dos votos que necesitaba para obter representación.
PRAZA_8458
Todos os grupos da Cámara galega acordan dirixirse ao Goberno central para que facilite a posta á disposciión da xustiza das persoas que provocaron a morte do cámara galego en Iraq
A unanimidade nos tempos da tensión. Os catro grupos que forman o Parlamento de Galicia acordaron este martes a redacción dunha declaración institucional para, no décimo cabodano do asasinato do cámara galego José Couso no Iraq, esixir que "os responsables" desta morte sexan xulgados. Unha década despois de que o ferrolán morrese no hotel Palestina de Bagdad a causa do fogo das tropas estadounidenses, PP, PSdeG, AGE e BNG reclaman "que se clarifiquen as causas" do falecemento e que, ademais "se xulgue os responsables dela". Nun pleno parlamentario que ten todos os focos dirixidos á sesión do mércores, cando o presidente da Xunta comparecerá para dar conta das súas fotos con Marcial Dorado, os grupos atoparon un punto de encontro para propiciar que o lexislativo galego se "dirixa ao Goberno do Estado" para, "dentro do respecto á independencia do poder xudicial", reclamar que se desenvolvan "todas as actuacións pertinentes" para "poñer á disposición da Xustiza os responsables da morte de José Couso", a saber, militares dos Estados Unidos. O Parlamento lembra que Couso foi "asasinado" por militares estadounidenses durante "a invasión de Iraq" Neste sentido, o propio Parlamento cualifica a morte de Couso de "asasinato" e, dez anos despois, lembra "o seu traballo e a reivindicación cidadá para aclarar e xulgar os responsables" do acontecido. O xornalista, subliñan os deputados e depuradas, "morreu en 2003, durante a invasión de Iraq, a causa dos disparos dun carro de combate estadounidense", no edificio "no que se atopaba traballando coa prensa internacional". Alí, recordan, tamén pereceron "o camarógrafo ucraíno Taras Protsyuk e o xordano Tarek Ayub". Dende aquela e ata a actualidade "diversas actuacións xudiciais tentaron poñer nas mans da Xustiza española aos responsables da morte do ferrolán José Couso". "Primeiro a Audiencia Nacional e despois o Tribunal Supremo actuaron", mesmo chegou a "abrirse un proceso e emitiuse unha orde de busca e captura sobre os militares estadounidenses que manexaban o tanque que disparou contra o Hotel Palestina". "Pero estas actuacións recibiron a negativa das autoridades estadounidenses", salientan. Resta saber, polo tanto, se o Goberno central atenderá o requerimento de todas as forzas políticas do país, que simbolizaron cun aplauso unánime o seu apoio á declaración.
NOS_903
Docentes de Português na Galiza: "Primeiras três substituições de 2019 de matérias de língua portuguesa não se tramitaram na lista de português .
A especialidade de portugués ten código propio neste curso escolar 2019-2020 e hai unha lista saída do concurso-oposición feito neste ano. Boas novas. Mais, advirten desde Docentes de Português na Galiza (DPG), a demora pola Consellería de Educación en publicar a lista de substitutos e substitutas provocou que se contratasen persoas que non figuran nela para cubrir prazas onde 100% da materia se dá en portugués. "Da DPG levamos desde setembro alertando a centros de ensino e Conselharia para tomar a sério a publicação das listas de substituição de português assim como para começar a normalizar a nova realidade no secundário, com docentes contratados através da especialidade". O colectivo indica que "no concurso geral de traslados de secundário não se solicitam vagas definitivas de português apesar de a última oposição ter criado 7 especialistas em secundário. Também não temos constância de terem sido solicitadas vagas provisionais nos 15 centros atuais, que contam com a maior parte dos níveis de português e com uma quantidade de inscrições significativas, do total de 67 que estão a oferecer a matéria". A isto engaden que "a atual contratação de substitutos através de listas que não são da especialidade e de pessoas sem um mínimo nível de proficiência certificada, apesar de essas baixas terem, na sua totalidade ou numa carga horária maioritária, matérias de português"
PRAZA_7482
Gañou 1-0 ao Alcalá, penúltimo da táboa, con gol de Jonathan Reguero, fichaxe invernal que leva dous goles en dous partidos
O Coruxo logrou este domingo a súa segunda vitoria consecutiva no Vao no primeiro encontro da segunda volta do grupo I de Segunda División B. Gañou 1-0 ó Alcalá, penúltimo da táboa, con gol de Jonathan Reguero, fichaxe invernal que leva dous goles en dous partidos. O conxunto de Antonio Gómez dominou o primeiro tempo, pero no segundo deu un paso atrás e o partido resentiuse. O Coruxo logra a súa segunda vitoria consecutiva no Vao Ambos equipos amosaron por que están entre os menos goleadores do grupo. O Coruxo tivo ocasións, sobre todo na primeira metade, para anotar algún gol máis, mentres o Alcalá, con só doce goles en vinte partidos, erraba constantemente no último pase e tamén no remate. O Coruxo esta perfeccionándoo grazas a Reguero, constante ameaza para a zaga rival; pero ao Alcalá, que suma catro xornadas sen marcar, cústalle sair dos postos de descenso. Máis arriba está o conxunto vigués, sexto a un só punto dos postos de promoción de ascenso. O partido comezou cuns minutos de tenteo, pero cedo os locais fixéronse coa iniciativa do xogo. No minuto once, Centrón, tras gran xogada persoal, centrou desde a esquerda, tocou Pedro na dereita e Reguero anotou o primeiro a porta baleira. Así pois, Pedro Vázquez, que despois sería substituído, debutaba con asistencia de gol. Os dous reforzos invernais do Coruxo empezan a sumar desde os primeiros días. Tralo gol chegaron os mellores minutos dos verdes no partido. O capitán Antúnez obrigou a intervir ó porteiro visitante cun disparo raso, Reguero non controlou para quedar man a man e, minutos despois, pediu un posible penalti. Con Víctor Besada maxistral na distribución, Reguero movéndose por todas partes e algúns detalles de Centrón, o Coruxo amosábase moi superior ó seu rival. Os dous reforzos invernais do Coruxo empezan a sumar desde os primeiros días O Alcalá achegábase moi de cando en vez e amosábase impreciso nos últimos metros. O colexiado anulou por xogo perigoso unha chilena ós 19 minutos no primeiro achegamento dos madrileños. Dez minutos despois Biendi disparou fora desde a esquerda. O Coruxo perdía o empuxe do tramo anterior, pero mantiña o dominio do partido. Un disparo alto de Costas e dous remates de cabeza do central Pazó, un deles en falta en ataque, foron as últimas ocasións dos locais no primeiro acto. O Alcalá tivo a máis clara do choque a seis minutos do descanso, cando Rubén Mesa non atinou a rematar cando quedou só diante do meta Christian. Tralo descanso o Coruxo baixou o pistón e o Alcalá adiantou liñas. O adestrador visitante moveu o banquiño no intermedio e esgotou trocos ós 63 minutos de partido na busca do empate. O conxunto madrileño roldaba a área rival, pero non chegaba a rematar. Outro posible penalti na área madrileña e un disparo moi escorado de Reguero foron as únicas aproximacións locais nese lapso de tempo. O Coruxo gozaba das mellores ocasións nas contras e o capitán Antúnez gañaba peso no xogo. Un pase extraordinario seu nunha contra rematou cun disparo alto de Centrón ós 19 minutos do segundo tempo. O conxunto de Antonio Gómez puido sentenciar cun remate de cabeza do Central Yago Yao e con outro disparo do omnipresente Reguero detido por Juancho, meta do Alcalá. A súa traxectoria segue sendo positiva e sitúase a un só punto da zona de promoción de ascenso O reloxo pasaba para o conxunto madrileño, que tiña que ir cara arriba na busca do empate. Fíxoo con dous remates de cabeza de Iván García que se marcharon desviados e cun disparo de Tello, un dos ingresados na segunda metade, que despexou Christian. O Coruxo buscaba a sentencia sen premio por medio de Antúnez primeiro e de Iosu Villar máis tarde nun disparo que tocou en Reguero. Non obstante, a ocasión máis clara nese tramo final tívoa o Alcalá nas botas de Montero, pero, como ó longo de todo o choque, non atinou nos últimos metros. O partido agonizou coa vitoria do Coruxo tras un segundo tempo bastante pobre por parte dos dous equipos. O resultado foi positivo para os verdes, pero o xogo non foi demasiado convincente. Aínda así, a súa traxectoria segue sendo positiva e sitúase a un só punto da zona de promoción de ascenso.
NOS_24931
A Galiza carece dun organismo propio para a investigación de sinistros e accidentes no mar ou mesmo para os 'sentinazos' —verteduras do barco ao mar—. Habelo, haino, a Comisión de investigación de accidentes e incidentes marítimos (CIAM), mais está en Madrid, adscrito ao Ministerio de Transportes.
A Galiza ten 1.720 km de costa, unha frota pesqueira de máis de 4.200 embarcacións, 128 portos e perto de 20.000 traballadores e traballadoras no sector do mar. Mais non ten un órgano propio para a investigación de sinistros marítimos e as competencias en Salvamento Marítimo seguen no Goberno español. A Comisión de investigación de accidentes e incidentes marítimos (CIAM), adscrita ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, é quen se encarga de investigar os accidentes no mar. "A historia ensínanos que na Galiza debemos de ter nas nosas mans o control e as competencias sobre todo o que afecte as nosas costas", apunta Xaquín Rubido, portavoz da plataforma Nunca Máis, a Nós Diario. "Tamén no que afecta a sinistros e accidentes", apunta. Uxía: "Nunca Máis foi o paraugas baixo o que nos puxemos todas e todos" Rubido lembra que nestas dúas décadas houbo avances importantes en seguridade marítima, "foron conquistas da sociedade galega a través das mobilizacións", mais aínda fica moito por facer. Apunta, así, que da media de 35 buques con mercadorías perigosas que cada día navegan fronte ás costas galegas, 15 "teñen bandeira de conveniencia". É dicir, son barcos de Estados que non cumpren os requisitos en seguridade marítima que se requiren na Unión Europea (UE). Só teñen que cumprir as normativas europeas aqueles barcos que toquen porto da Unión Europe, apunta. A propia ONU advirte disto, explica Rubido: "No ano en que afundiu o Prestige no transporte marítimo movíanse 400 millóns de toneladas en bandeiras de conveniencia, en 2021 foron 912 millóns". Unha parte importante dese tráfico pasa fronte á Galiza. "Por iso debemos de ter todas as competencias sobre o noso mar e costas", reitera este biólogo arousán. A CIAM, creada en 2008, ten recibido máis de 2.500 notificacións de accidentes marítimos e publicou 400 informes das investigacións, moitas delas sobre sinistros de buques galegos en augas galegas, xa que a Galiza non ten un órgano propio neste eido malia contar coas competencias en rías e augas interiores. Os portos da Costa da Morte, en risco de ficar sen práctico, un posto vital de seguranza A Xunta desbotou no seu día, con Alberto Núñez Feixoo de presidente, que a Galiza tivese un organismo para investigar e prever os sinistros marítimos, argumentando que xa existía o do Goberno español e cabía a posibilidade de que se nomeasen para estar nel representantes das comunidades, se ben esta actuación corresponde ao Executivo estatal. Desconformidade Voces do sector do mar, porén, apostan por ter tamén esas competencias. José Antonio Pérez, da Federación de Confrarías Galegas, considera en conversa con este medio que é bo unha maior "proximidade" na investigación aos sinistros no mar na Galiza. Na mesma liña, Ramón Iglesias, patrón que sobreviviu a un naufraxio ante Fisterra, di que "non ten lóxica que a Galiza careza dun órgano así". Ao que Raquel García, bióloga, acrecenta o "paradoxal" de que en cuestións como os 'sentinazos' que sofre a costa galega, "as competencias tamén estean en Madrid, que ten unha costa moi grande", ironiza.
NOS_9600
A morte de José Castro Veiga é resultado dun operativo dirixido polo tenente da Garda Civil, Alberto Díaz López, coa colaboración dos axentes da benemérita de diversos cuarteis da Ribeira Sacra. Porén, a memoria do Piloto continúa aínda viva.
Co chivatazo de Darío ponse en marcha a trama organizativa da Garda Civil coa fin de dar morte ao Piloto. O tenente Alberto Díaz López enseguida mobiliza un cabo primeiro e seis gardas cos que se dirixe, en coches de aluguer, á beira do río Miño, establecendo servizos de vixilancia nas pontes de Belesar, salto de Belesar e paso de barcas de Porto, á altura do río Sardiñeira, e quedando apostados nas inmediacións do regato A Cacheira, punto situado a un quilómetro da presa e a poucos metros da pista do Club Náutico. A súa vez, forzas dos postos de Escairón, Currelos e Monforte, establecen outros servizos en puntos estratéxicos coa fin de obter resultados positivos. O asasinato do Piloto Mentres o tenente Díaz López e o cabo primeiro Francisco Nodar Montecelos intentan cortar un camiño que dá a unha ermida, os gardas segundos Gerardo Vilas Sanjurjo e José Lage Meilán, apostados nas inmediacións do Club Náutico, aprezan, sobre as 11:45 horas, como un home se dirixe dende a pista do Club cara a un carreiro que conduce á igrexa de Pesqueiras. Nas palabras do propio tenente Díaz López, "ao darlle o alto a parella "O Piloto" empuñou a metralleta e precipitadamente deu tres disparos. A parella respondeu, e o primeiro de fusil, deulle na cabeza e caeu ao augo do rego desde a repisa dunha viña". Efectivamente, catro disparos, sendo un deles mortal de necesidade, poñen punto e final a dúas décadas de loita armada. Catro disparos rematan coa vida do último maqui abatido polo franquismo. Catro disparos pechan o círculo, esta vez si, da actividade guerrilleira no país. O operativo que rematou coa vida do Piloto estivo dirixido polo tenente da Garda Civil, Alberto Díaz López Ao Piloto incáutanselle armas e municións, algúns obxectos persoais coma un paraugas, unha navalla, unha lanterna, un reloxo de ouro Omega, un selo tamén de ouro, un espello ou un pano do peto. Fanse tamén as forzas da orde cunha carteira de coiro que contén o botín conseguido apenas dúas horas antes na casa de Fermín González, 15.634 pesetas. Un carné do Partido Comunista de España, comité de Lugo, a nome de José Castro Veiga, profesión Xeneral Estado Maior, cun selo que ostenta a estrela de 5 puntas, a fouce e o martelo e a inscrición de PC de E. A prensa de época, ca súa linguaxe hiperbólica e a súa prosa engalanada e grandilocuente, resalta a grande fazaña das forzas represivas e limítase a tachar O Piloto de "atracador sanguinario, asasino vulgar, atracador activo y constante ou perigosísimo asasino". Hai que acoller con cautela, pois, as novas relacionadas co suceso, como aquela na que se quere amosar a algarabía do pobo ao coñecer a morte do guerrilleiro, e que di así: "…na zona de Saviñao, ao coñecerse a noticia da súa morte, os veciños dispararon bombas de palenque para celebralo. Desde a comarca de Sarria, outros moitos telefonaron ao xefe de Liña da Garda Civil que aprazase o enterro para poder ver O Piloto, pero esta vez morto. Eran, sen dúbida, persoas con contas pendentes". Contraposta a esta son as impresións de 'Mirelle' Curto, a compañeira de Castro Veiga, quen sostén que se non é por ese home [Darío Vázquez], el non morre. Non morría, non. Porque a Piloto queríano moito nas casas en que estabamos. Era unha persoa de carácter moi humano, que calquera cousa que tiña, repartíaa. Isto convertíao nun home moi querido, ó que non era doado coller…" 'Mirelle Curto', compañeira de Castro Veiga, lembraba que fora un "home moi querido" En todo caso, deixaramos o corpo inerte do Piloto no regato da Cacheira. Recoñecido e examinado, ordénase o levantamento do cadáver e o seu traslado ao cemiterio de San Fiz de Asma, co obxecto de serlle practicada a autopsia. Encárgase o forense Luís Vázquez Álvarez, quen procede a realizala ás 11 horas do día seguinte. O resultado é revelador: "Habito Externo. O cadáver representa ter uns cincuenta e dous anos, de estatura alta, con peso aproximado de noventa e cinco quilos; o pelo de cor castaña con zonas brancas e ben coidado así como o bigote do ancho do beizo superior, recortado a nivel das comisuras, as mans finas sen calosidade; a dentadura ben conservada cos dous primeiros molares ao lado esquerdo inferior recubertos de ouro, a perna esquerda con limitación de movementos a nivel da articulación da cadeira, dúas traveses máis curta que a dereita, así como máis delgada (por atrofia muscular): non observando ningunha cicatriz antiga e se as seguintes lesións: Un orificio de forma circular producido por disparo de arma de fogo de bordos invaxinados cara a dentro de calibre 7,65 m/m que corresponden á entrada dun proxectil, situado na parte media esquerda do frontal; outro orificio da mesma natureza situado na parte superior do occipital; unha ferida contusa de seis centímetros na rexión témporo-parietal esquerda con fractura destes dous ósos; outro orificio do mesmo calibre situada na rama horizontal do maxilar inferior, con fractura deste óso, á beira da rexión do queixo ao lado esquerdo; outro orificio situado no lado esquerdo da parte superior e posterior do pescozo do mesmo calibre; dous orificios por disparo calibre 9 m/ m situado un na parte media anterior e inferior do pescozo por encima do esterno outro na parte superior e posterior do tórax ao lado dereito a nivel do terceiro espazo intercostal; outros dous orificios na parte superior do fémur esquerdo, con fractura deste óso, por baixo do seu pescozo, o de entrada do proxectil pola súa cara externa e o de saída pola interna. Habito interno. Cavidade do cranio. Aberta esta cavidade apréciase hemorraxia cerebral e que o hemisferio esquerdo foi perforado en toda a súa lonxitude por un proxectil que, penetrando polo frontal, saíu polo occipital, observando tamén a fractura descrita de temporal e parietal esquerdo. Disecada a ferida do maxilar inferior, puido observarse que un proxectil despois de fracturar este óso levou unha dirección cara atrás, interesando zonas musculares e saíndo pola parte posterior inferior do pescozo ao lado esquerdo. Cavidade torácica. Aberta esta cavidade, apréciase, hemorraxia en pulmón dereito e que o proxectil que penetrou por encima da pinza do esterno, atravesou o lóbulo superior, levando unha dirección lixeira de arriba a abaixo e de esquerda a dereita, saíndo pola parte posterior e superior do tórax a nivel do terceiro espazo intercostal. O corazón algo aumentado de volume (lixeiramente hipertrofiado) . Cavidade abdominal. Aberta esta cavidade, todo o ventre atopábase recuberto dunha capa de graxa, seccionado o estómago contiña anacos de pan, chourizo e auga en bastante cantidade, sen entrar aínda no período inicial de dixestión: E non observándose nada máis digno de mención. Conclusións: Primeira: Que o intercepto José Castro Veiga, sufriu catro disparos de arma de fogo, sendo o proxectil que penetrou polo frontal, o que lle ocasionou a morte dunha forma case instantánea, por hemorraxia cerebral, sendo de carácter grave o que atravesou o pulmón dereito e sendo os do maxilar e coxa esquerdo de prognóstico reservado.Segunda: Que a ferida da rexión temporo-parietal, puido ser producida ao caer sobre unha pedra ao esborrallarse o intercepto, despois de recibir o disparo que lle ocasionou a morte. Terceira: Que a redución da perna esquerda, seguramente foi como consecuencia dunha artrite traumática que sufriu hai anos na articulación coxo-femoral esquerda. Cuarta: Que a morte data, no momento de practicarse a autopsia, dunhas vinte e cinco horas". Unha fosa no cemiterio de San Fiz de Asma A aventura do Piloto remata dándoselle sepultura aos seus restos. Como sucedía vinte anos atrás cos guerrilleiros abatidos, O Piloto tamén pasa a ocupar o seu sitio nunha foxa no cemiterio de San Fiz de Asma. Alí, nunha "foxa aberta na terra, paralela á parede sur da caseta de autopsias (sic) que existe no adro parroquial de San Fiz de Asma e a unha distancia de sesenta centímetros, coa cabeza pegada ao muro do vento este" gardan repouso os restos do último guerrilleiro que caeu coas armas na man. Naquel lugar, onde nada lembra a súa presenza, din que aparecían, cada primeiro de maio, flores vermellas na súa memoria… O seu corpo foi enterrado nunha foxa común no cemiterio chantadino de San Fiz de Asma Xa só faltaba un último trámite para enterra definitivamente tan incómodo personaxe. Que facer coas pertenzas achadas no cadáver do guerrilleiro?. A Fermín, o labrego atracado na mañá dos feitos, devólvenselle as 15.000 pesetas incautadas; as restantes 634 pesetas son ingresadas na Caixa de Depósitos de Facenda en Lugo; algunhas das armas envíanse ao Parque de Artillería de Coruña, mentres que outras son destruídas. O reloxo e mailo selo de ouro, ao non seren admitidos na Caixa de Depósitos, volven ao Xulgado Militar durante outro ano máis. Por fin, o 9 de outubro de 1967 acórdase que sexan entregados aos herdeiros, é dicir, os seus irmáns, Manuel, Carmen, Luís, Otilia e Elías. Comparece este último no xulgado e pide que os dous obxectos sexan entregados nun asilo, xa que renuncian a facerse cargo destes ao non poder acreditar ser herdeiros lexítimos ou testamentarios porque O Piloto falecera sen testamento. Quizais a nivel material teña razón Elías Castro Veiga, máis o verdadeiro legado do Piloto terao que xulgar a historia.
NOS_18209
Tradución dun ensaio de Alastair Bonnett sobre xeografías ocultas
Alastair Bonnett (Epping, Inglaterra, 1964) é xeógrafo académico desde hai máis de trinta anos. Profesor na Universidade de Newcastle, rexistra e analiza o territorio existente e expón as súas conclusións en ensaios de idiolecto universitario: Que é a xeografía (2008) ou Novas Vistas: O mundo cartografado como nunca antes (2018). Mais existe outros lugares que os fascinan, aqueles que están fóra dos mapas. A eles dedica Fóra do mapa, que agora publica en galego Rinoceronte Editora en tradución de Moisés Barcia. "Sempre sentín fascinación polos lugares que están fóra dos mapas", explicaba nunha entrevista de hai dous anos, "creo que en parte reflicte a miña infancia nos arrabaldos de Londres. Sinto que a extensión da capital está a tapar a singularidade e a diversidade das vilas dos arredores. Está a emerxer unha nova caste de paisaxe, de centros comerciais e estradas". Ese panorama e outros semellantes, afastado dos usos e consensos sobre on que é bonito ou non, ocupa as páxinas de Fóra do mapa. Psicoxeografía Desde Rinoceronte encadran o libro na disciplina da psicoxeografía, a exploración dos ambientes urbanos que iniciaron os situacionistas -corrente a medio camiño entre a vangarda artística e o radicalismo político, activa nos anos 60. "Alastair Bonnett celebra o amor ao lugar e o desexo de imaxinar novos sitios", din na nota promocional, que tamén explica o título como "unha viaxe a través das xeografías que aínda permanecen agachadas, dende illas desparecidas a sumidoiros, cidades invisíbeis e terreos flotantes". Fóra do mapa é, ao cabo, "un testemuño fascinante do misterioso que resulta o mundo aínda a día de hoxe".
NOS_23852
Neste momento as dúas cuestións pendentes da política galega é o calendario eleitoral e a candidatura de En Marea. Sobre o primeiro asunto, o secretario xeral e director de campaña do PPdeG, Miguel Tellado, non saíu do guión. Sobre o segundo, considerou "lamentábel" que o candidato da Marea se "decida en Madrid". A precampaña xa está aquí.
O PPdeG vai lanzado a pola maioría absoluta após os excelentes resultados colleitados o 26X. Esta mesma sexta feira, apresentou en rolda de imprensa a súa precampaña para as galega a meio dunha conferencia de imprensa do seu secretario xeral, Miguel Tellado. O PP xa ten constituído o seu comité de campaña, que dirixirá o propio Tellado, e a comisión redactora do programa, encabezada polo portavoz do grupo parlamentar, Pedro Puy. Tellado non dubidou en se felicitar polo saldo co que o PP fechou o 26X. "A oposición perdeu 100 mil votos en seis meses", espetou, en tanto que o PP obtivo "40 mil votos máis" e unha percentaxe de voto "8,5% superior" ao promedio do partido no estado. Aliás, alertou contra a "autocompracencia" e afirmou que o partido enfrenta as xerais co obxectivo de ir a pola maioría absoluta para evitar "o bloqueo" que se podería producir no Hórreo se houber un Parlamento fragmentado como o estatal. Esta loxicamente vai ser unha das liñas discursivas do PP de aquí ás eleccións. Tellado foi particularmente claro a respeito dos targets do PP en campaña. Irán a polos "votos de Cs" e a polos "votos moderados do PSOE" visando o obxectivo de "evitar" que estes sufraxios servan para "facer presidente da Xunta a Xosé Manuel Beiras". O secretario xeral da formación conservadora mostrou a súa convicción de que Beiras quer ser candidato e ligou a viaxe deste a Madrid -encabezando unha numerosa delegación de Anova- á súa pretensión de obter o "beneplácito" de Pablo Iglesias, o nihil obstat para a súa candidatura. Tellado, que pediu "concentrar o voto en Feijóo", considerou "lamentábel" que se vaia decidir en Madrid "a candidatura da Marea". A respeito da data da convocatoria das galegas -fontes do PP sinalan que podería ser a finais do mes de setembro-, o secretario xeral do PPdeG botou man do argumentario máis previsíbel e afirmou que esa é unha "prerrogativa" do presidente da Xunta e que Feijóo decidirá en atención "ao interese de Galiza". Impasse na Marea En realidade, o impasse e a calma tensa son as palabras que definen o ambiente da Marea nestes días. Todos os actores son conscientes das urxencias do calendario e de que nos próximos días era ben ir definindo a candidatura. As posicións non teñen variado sustancialmente a respeito de hai uns meses. Anova continúa sen desbotar a candidatura de Beiras, se ben este asunto -informaron a este respeito a Sermos fontes da formación- aínda non foi tratado nos seus órgaos de dirección. Mentres, en EU e as mareas -nomeadamente a atlántica- tampouco hai novidades e as preferencias apuntan a unha personalidade independente e de prestixio social. Anova realizará esta sexta feira en Madrid encontros bilaterais coas direccións españolas de IU e Podemos. Todo indica que neses contactos se falará sobre a alianza destas forzas para as eleccións galegas e, consecuentemente, sobre a candidatura.
NOS_3328
O Concello de Carballo organiza un acto este sábado para lembrar estas catro mulleres, mortas polos disparos da Garda Civil cando asistían ao enterro dun neno de catro anos.
Este ano é o centenario das 'Mártires de Sofán', catro veciñas desta parroquia de Carballo que o 16 de febreiro de 1919 morrían polos disparos da Garda Civil cando participaban nun enterro. María Caamaño Pallas, que tiña sete fillos e estaba embarazada, Carmen Veira Souto, con catro fillos, María Serrano Paz e Josefa Bolón Mato. O concello decidira a construción dun novo cemiterio, incentivado polos sectores caciquís. A maioría da veciñanza opoñíase e pedían que se ampliase o vello camposanto. O concello clausurou o cemiterio vello en novembro de 1918. A xente seguía enterrando os seus mortos no vello e o 16 de febreiro de 1919 estoupa o conflito. A actuación da Garda Civil remata nun baño de sangue con catro veciñas mortas e ducias de persoas feridas. Cen anos despois daquela acción das forzas de seguridade que matou catro veciñas e deixou numerosas persoas feridas, o Concello de Carballo, a instancias do Consello Parroquial rende homenaxe ás "Mártires de Sofán". Este sábado será inaugurada unha placa comemorativa na súa memoria, nun acto organizado polo Concello, o Consello Parroquial e a asociación Lumieira. O historiador e cronista carballés Xan Fraga Rodríguez falará sobre aqueles feitos. Tamén intervirán familiares das homenaxeadas e, por último, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Precisamente, ás mártires de Sofán dedícalles Sermos Galiza un dos capítulos do monográfico "De Nós" titulado Rebeldía Galega contra a inxustiza, escrito por Xan Fraga. A publicación está á venda na loxa.
PRAZA_17217
ENTREVISTA | Xabier Cid recolleu o premio da XXI edición do Certame de Poesía do Concello de Carral pola súa obra As bicis.
"No noso mundo intelectual, e literario especialmente, que é un sistema literario construído en base a xantares de botelo máis ca de partidos de baloncesto, falar de bicicletas é xa case revolucionario". Iso di Xabier Cid a conto de As bicis, o poemario co que vén de gañar a XXI edición do Certame de Poesía do Concello de Carral. Chanzas aparte, si pode haber algo non de revolucionario, pero si de contradiscursivo, no contido deste libro. Que reivindica o silencio fronte ao ruído social e mediático e contra a vaidade do/a escritor/a. Que foi escrito sabendo que "eu, como varón, branco, occidental, de mediana idade e relativamente educado, non debería estar a dicir nada". Que non somos tan importantes como, moitas veces, cremos e nos fan crer. Podería lerse como unha crítica á pretenciosidade -inoculada- de parte dos representantes dun "sistema literario galego" que se cadra nunca foi tal "sistema", e ao que ás veces lle custa situarse a si mesmo no mundo como o que é: un máis. Pero xa di Cid que el, o que fai, son poemas que non falan de nada. "Escribirei uns poemas que non falen de nada". Así comeza o poemario. "Este é un espacio baleiro. Non teño necesidade de dicir nada", dicía o teu blog As túas balas. As bicis fala moito de ruído, de palabras baleiras, de cando nos poñemos transcendentais, como din un dos poemas, "con esa vaidade de quen cre dicir o que non fi dito/ e xa foi dito". Por que? Pregunto porque o poemario fala do ruído das redes sociais ou da televisión, pero penso que tamén da vaidade do "escritor" e da idealización da súa figura como alguén que sempre ten que ter cousas moi importantes que dicir. Sorpréndeme moito que cites esa frase d'As túas balas, porque eu non a lembraba. Supoño que me quedou nunha parte do córtex e volveu aflorar, pero non era consciente diso. A frase, ademais, non é miña, pero imaxino que cando a lin hai moitos anos quedoume arquivada e leva todo este tempo abrochando aos poucos. Ou que non fago máis ca repetirme. Todo o que mencionas despois, o do ruído social e o da vaidade dos autores e autoras, é exactamente a miña referencia. As persoas que crean son vaidosas, e vexo esa vaidade de forma bastante negativa, independentemente de que os resultados sexan os que sexan, e de que eu mesmo, neste paradoxo incongruente, estea dicindo algo ao dicir que non quero dicir nada. "As persoas que crean son vaidosas, e vexo esa vaidade de forma bastante negativa" Na súa estrutura, o poemario ten dous fíos de texto. Un, colocado na parte de abaixo da páxina, con versos curtos e certa métrica, e cunha lingua mesmo se cadra algo máis requintada, no que unha ciclista fala das súas sensacións ao andar na bici. Outra, na parte de arriba, en verso libre, no que a que parece esa mesma voz poética se relaciona non tanto coa paisaxe e si con outras persoas. Poderían ser como unha sorte de paradas na viaxe en bici. En calquera caso, nesa parte, a de arriba, tamén hai silencio, -páxina en branco-, fronte ao fluír máis constante da de abaixo. Podes explicar esta estrutura, ese dobre fío? De que xeito está presente nela ese contraste entre o ruído e o silencio? Os dous fíos parten da mesma orixe, que é unha cobra dun poema de Guillerme de Poitou, ou de Aquitania, ou chamémoslle como queiras. Nun quedo co tema, e tento desenvolvelo, e noutro quedo coa forma, e aínda que non reproduzo exactamente os seus elementos métricos, si que me achego a eles -da maneira en que son capaz e que creo que é aceptable en 2018 nunha lingua onde as palabras non son todas agudas-. Ti enténdelo como paradas, e paréceme ben. "Eu quizais quedaríame máis con "o que pensa a ciclista", que efectivamente é ruidoso, por oposición a "o que ve a ciclista", que é silenzo -máis ca silencio-" Eu quizais quedaríame máis con "o que pensa a ciclista", que efectivamente é ruidoso, por oposición a "o que ve a ciclista", que é silenzo -máis ca silencio-. Non creo que haxa un fluír máis constante na parte de baixo da páxina ca na de riba da páxina, ou viceversa, ou cando menos esa non era a intención, pero o certo é que o xurado valorou o emprego da páxina en branco como virtude creativa, cando foi máis un accidente derivado da distinta duración dos poemas na parte inferior e superior, ca un repouso no camiño. Pero, diaños, as vosas ideas son mellores cás miñas. Hai, claro, unha contradición entre dicir que non se ten necesidade de dicir nada e manter un blog durante sete anos, despois, ademais, de ter publicado unha novela. Como pode habela entre escribir sete poemas longos, envialos a un concurso e dicir, neles, que "Son poemas que teñen a luz de non falar de nada/ e esa é a única/ luz". Dicir que te presentaches a un concurso porque querías os cartos paréceme necesario, -que os escritores tamén comen-, mais, creo que máis que a nada, o que invocan os teus versos é a necesidade do silencio. De menos verborrea. Tamén se cadra por iso é un poemario curtiño e había anos que non publicabas... Touché. Son consciente desa contradición. Pero que sexa consciente do meu ego non o fai desaparecer. Enfádome con el, quero extinguilo, pero ás veces sae desta maneira, ou ben porque non o dou reprimido, ou ben porque me divirto, ou como exercicio de escrita -escribo, léome e gústome —ás veces- ou ben porque como neste caso, hai un montiño de cartos ao final do túnel. "Én Galicia hai un ruído físico, de falar alto, pero tamén de non buscar o acordo, de tratar o lugar ao noso redor con egoísmo, non ter demasiado coidado polo espazo físico e o tempo dos demais" Unha das cousas que me gustaron de ir vivir a Escocia foi precisamente o silenzo. Galicia, e podes pórlle as fronteiras onde queiras, nas Portelas, nos Pireneos ou en Tréveris, paréceme un lugar moi ruidoso. Pero loxicamente parécemo agora, que vivo noutra contorna máis, digamos, tranquila. Ou que a min me parece máis tranquila. É un ruído físico, de falar alto, pero tamén de non buscar o acordo, de tratar o lugar ao noso redor con egoísmo, non ter demasiado coidado polo espazo físico e o tempo dos demais, etc. E este é ao final un libro que escribo alí, no silenzo, pero que dirixo aquí, ao ruído, que é onde podo presentarme a un concurso e ter opcións de gañalo. Obviamente nada é tan simple como Escocia=silenzo Galicia=ruído. Máis unha tendencia. Quizais por iso o poemario é curtiño, porque non hai moito que dicir, pero tamén porque as bases do premio dicían 500 versos, e deberon saír uns 512. Si, isto é suficiente. Deixar de publicar ten que ver, tamén, cunhas circunstancias puramente mundanas. Como lle dicía a Ramón Vilar, de Letra en Obras, para escribir cómpren unhas condicións de tempo libre e illamento que durante moitos anos, por cuestións laborais, non puiden aproveitar. Ou non din aproveitado. E agora cadrou que tiven os motivos de inspiración, que tiña o tempo libre necesario, e que o reto dos 500 versos era asumible, e alá fun. "Para escribir cómpren unhas condicións de tempo libre e illamento que durante moitos anos, por cuestións laborais, non puiden aproveitar" "Eu son só a fatiga/ e a reiteración", di un dos versos. Unha muller que sabe que pode desaparecer, en calquera momento, debaixo das rodas dun camión, atropelada mentres pedalea. E que se decata -e ofrécelle un lapote a quen no o sabe- de que o traballo que fixo ela é como o que fixeron moitas outras. Dixo o xurado do poemario que este era un libro "feminista". Posto, supoño, na boca dunha muller maior que se decata do pequenos que somos, ante a morte e ante a propia vida: non somos tan especiais. Estás de acordo con que pode entenderse como un poema feminista? Como é esa voz poética, como a construíches? Xa me gustaría ser feminista. Hai un aspecto de feminismo de amplo espectro que si, imaxino que estou aí: se me preguntan se me considero feminista digo que si, abofellas. Pero é tamén para min imposible ser feminista no sentido de que son un varón, e de que o meu papel debería ser estar calado, pórme na parte de atrás, e non facer nada máis ca un labor de zapa, actuando nos ámbitos masculinos, e facendo no espazo público o que me digan as mulleres feministas, cando mo digan e como mo digan. Esa contradición da que falabas antes entre dicir e non dicir é, sobre todo, unha contradición feminista. Digo algo, pero en realidade non debería dicir nada, porque os varóns xa estamos todo o tempo a dicir cousas, e o ideal sería que calásemos. "Os varóns xa estamos todo o tempo a dicir cousas, e o ideal sería que calásemos" O de non sermos especiais é tamén unha cuestión biolóxica. Creo que hai moito de paisaxe no sentido de pórmonos en perspectiva, de relativizar a nosa importancia se a comparamos coa duns gansos que fan todos os anos Escocia-Grenlandia dúas veces, movidos polo seu propio esforzo físico. Por exemplo. Non sei se tanto o de "muller maior". Se cadra si, e vou vello. O de "construír a voz poética"… non entendo moi ben a pregunta. Vouche responder algo, e ti xa decides se che vale ou non che vale. Teño claro que eu, como varón, branco, occidental, de mediana idade e relativamente educado, non debería estar a dicir nada. Así que se quero conseguir o premio teño que limar as miñas contradicións dalgunha maneira -seguen estando aí, obviamente-. Tamén creo que, incidindo no sentido feminista do libro do que falabas antes, o binarismo é algo a ir reducindo ou desaparecendo, legal, moral e esteticamente. Así que diría que a "voz poética" é gramaticalmente feminina. E é, sen dúbida, ciclista. "O binarismo é algo a ir reducindo ou desaparecendo, legal, moral e esteticamente" En todas as viaxes en bicicleta, a voz poética fala da paisaxe. Mais hai como un intento de tomar distancia respecto da idealización nostálxica da paisaxe, quizais do lugar da infancia. Ao mesmo tempo que unha necesidade de marchar (coller a bici) e deixarse levar por esa mesma paisaxe. Iso faime pensar na paisaxe na literatura galega e na maneira en que os poetas máis novos comezaron a relacionarse, quizais, con ela, dunha forma diferente. Pode haber algo diso no teu libro? Si. A nostalxia paréceme extremadamente ruidosa, vaidosa. Creo que hai moito contra a nostalxia, e contra a expresión pública desa nostalxia. Merda de morriña. Con respecto ás poetas máis novas… desgrazadamente non leo suficiente como para opinar así, en xeral. Pero tamén vivo nun mundo onde esa fractura entre o rural e o cidadán non existe da maneira, real e simbólica, que existe en Galicia. Onde as cidades teñen natureza por todas as partes e, no fondo tamén, onde a cidade colonizou todo o espazo. Non me recoñezo nesa fractura entre cidade e rural. Pero si é moi importante na miña vida a natureza, o espazo físico, a observación de aves e plantas, etc. Con todo o aprezo que lle teño aos seres humanos, a natureza non-humana paréceme máis interesante. "Creo que hai moito contra a nostalxia, e contra a expresión pública desa nostalxia. Merda de morriña" Se cadra este poemario non sería posible, ou sería diferente, se non fose pola túa propia afección ao ciclismo -e ao deporte en xeral-."I love urban cycling and, although I do cycling holidays now and then, my main cycling activity is commuting: around 2,000 miles cycled every year", di a túa web. En que medida cres que o poemario é froito desa experiencia túa? Ao mesmo tempo, o teu libro fíxome pensar en A Diagonal dos Tolos de Santiago Lopo e, claro, en Do que estou a falar cando falo de correr de Murakami. Pode ter algunha relación con estes ou con outros libros nos que unha longa carreira é o cerne? Hehe… Isto é complexo de contestar. Por unha banda, este libro nace dunha experiencia ciclista. A finais do ano pasado, ademais doutros traballos, decidín empezar a repartir comida en bicicleta -crise dos corenta, pracer ciclista, experimentación laboral, curiosidade por novas formas de economía…-, e cheguei a ese mundo cunha visión chea de prexuízos. Por exemplo, non llo contei á miña familia ata estes días, e vaia disgusto! Así que me dixen a min mesmo que, se ía descender aos "infernos" laborais, polo menos tirar de proveito unha experiencia creativa. Ao final non hai tanto diso -algo si- no libro, pero se non existise na miña cabeza ese reto, esa especie de penitencia, nunca chegaría a escribir este libro. "No noso mundo intelectual, nun sistema literario construído en base a xantares de botelo máis ca de partidos de baloncesto, falar de bicicleta é xa case revolucionario" Pero despois está tamén a actividade física: no noso mundo intelectual, e literario especialmente, que é un sistema literario construído en base a xantares de botelo máis ca de partidos de baloncesto, falar de bicicleta é xa case revolucionario. Mais claro, para min hai matices: descoñezo a obra de Lopo -heina mercar axiña-, pero Murakami fala dun esforzo atlético moi concreto, o da maratón, que ten valores humanos e físicos moi distintos do que me reporta a min o ciclismo de diario. A bicicleta d'As bicis non é unha carreira, nin un esforzo de resistencia. Nin un levar o corpo a ningún límite físico nin competitivo. Está máis próximo, e meu deus desculpa a pedantería, por favor, do paseante de Rousseau ou dunha autora escocesa in-cri-ble que é Nan Shepherd, onde hai unha actividade física non competitiva e que ten lugar na paisaxe. Hai pouco coñecéronse os últimos datos do descenso da edición en Galicia, un sector que desde aquí tendemos a valorar ao peso, -por número de títulos, tiraxes…-, sen ter en conta a que tipo de lector chega e por que. Falaba disto hai pouco con Marcos Calveiro: se a base lectora segue a ser tan cativa e as políticas públicas se orientan máis a garantir a publicación de libros que a crear lectores, o resultado van ser escritores frustrados. Que pensas ti diso? (Como liberal, seguramente non o mesmo que a maioría…:) Cara onde tiñan que orientarse estas políticas? Haha! pero non me tires polo fío liberal, porque che deixan de ler a entrevista aquí... Se subo ao monte liberal, diría que non debería haber practicamente políticas públicas de promoción editorial e que iso débeno facer as empresas, ou os cidadáns auto-organizados, e xa. Creo que se imaxinásemos un mundo sen poderes públicos teríamos máis claras as prioridades: onde temos que investir realmente, como cidadáns, para salvar o noso. Se se pode salvar. E se non se salva, pois mala sorte. Tamén desapareceron os romanos e se non desaparecesen non estariamos nós aquí co galego para arriba e para abaixo. Dito isto, eu preferiría que se salvase. Pero sen dramas. Creo que a literatura en libros é un produto cada vez menos central, en todo caso, e paréceme que iso tamén está ben. "Tamén desapareceron os romanos e se non desaparecesen non estariamos nós aquí co galego para arriba e para abaixo. Dito isto, eu preferiría que se salvase. Pero sen dramas" Volvendo ao que me preguntas, é importante que haxa un público que aprece produtos culturais máis diversos, pero é importante tamén a creación: ou sexa, e agora si indo a Murakami, é máis importante que a xente saia á correr ás tardes que que Ana Peleteiro gañe unha medalla nos Xogos de Toquio. Polo tanto, que os galegos escriban e escriban e publiquen e publiquen é xenial, porque estimularán a súa creatividade e serán mellores persoas. Pero ti vas ver xogar os nenos de sete anos ao fútbol os domingos e están os pais insultando os árbitros e os fillos como se estivesen a piques de gañar o Mundial. E neste caso o uso do masculino é plenamente consciente. O esforzo é importante, pero a xestión das expectativas tamén. Lembro que tamén interviras no debate sobre o xeito de contratar actores do CDG. Xa sabes o que pasou. Nese eido -o do teatro- lévase tamén moitos anos cos mesmos discursos sobre a falta de compromiso dos gobernos -o cativo apoio á distribución, a ausencia de sistema de residencias, os teatros e auditorios que permanecen a maior parte do ano pechados, etc- Desde fóra, como ves esas reivindicacións de máis axuda por parte da administración á cultura? (Teatro, audiovisual, libro…) Quero dicir, pensas que están ben enfocadas? Pois non o lembro, pero son unha desmemoriada, e pode ser que teñas razón. Xa respondín antes unha miga: calquera política de intervención, por moi ben intencionada que sexa, acaba por producir efectos indesexados. Eu preferiría unha menor intervención gobernamental e unha maior autoorganización dos cidadáns, pero, xa que o mundo é socialdemócrata, gustaríame que polo menos fose variado: ou sexa, o mantemento das mesmas políticas durante anos e anos fai que sexa aínda peor o efecto intervencionista. Por iso creo que é moi positiva a alternancia política, e que solucións máis pequenas e máis portátiles son mellores ca mangallóns culturais. E máis xustas coas xeracións que virán. "Eu preferiría unha menor intervención gobernamental e unha maior autoorganización dos cidadáns" Aínda que o teu poemario fala -tamén- do ruído que atravesa internet, a túa propia experiencia laboral ten moito que ver con internet, a creación de contidos web… Salientas na túa web persoal -entre outras moitas cousas, como o teu interese pola economía colaborativa- que colaboraches bastante por exemplo coa Wikipedia en galego. Cando saen datos sobre a presenza do galego en internet, adoitamos facer lecturas optimistas… Como ves ti a situación ao respecto? Levamos nonseicantas preguntas e esta é a primeira resposta fácil. O galego na rede véxoo ben. Creo que ten unha presenza nalgúns ámbitos mesmo maior do que lle correspondería por poboación presente en internet. E, desculpa, que vou meter a cuñiña pero tamén por culpa túa, que iso é en parte grazas a que a intervención gobernamental neste eido é escasa. En sectores como o dos medios de comunicación tradicionais -prensa, por exemplo-, onde o impacto do diñeiro público é bestial, a presenza do galego é ridícula. "O galego na rede véxoo ben. Creo que ten unha presenza nalgúns ámbitos mesmo maior do que lle correspondería por poboación presente en internet" E por certo, Terá as túas balas é unha novela negra en galego publicada cando aínda non estaba tan presente coma agora este xénero na nosa narrativa. Tes algunha hipótese sobre o motivo dese desenvolvemento do xénero? Como nacera este libro? -Que non ten moito que ver con As bicis-. Non coñezo sobre o xénero negro, e menos en galego, como para opinar diso. Síntoo. O libro de Terá as túas balas naceu no seu día porque tiña un pouco de tempo libre e había un concurso. Basicamente o mesmo nacemento có destas Bicis. E ademais tamén daquela o limiar de caracteres para presentarme era asumible para o tempo que tiña libre. Hai anos que non o leo. Non quedei con ningún exemplar, e a verdade é que… non o teño moi presente. Se cadra quedáronme pegadas cousas daquel libro no córtex tamén, e reabrollaron aquí. Algo máis que queiras salientar de As bicis ou doutra cousa? -O teu traballo como tradutor do inglés ao galego, por exemplo-. De certo dixen demasiado. :D :D
NOS_21100
O grupo de Ontinyent toca esta sexta feira, día 13, na Malatesta (Santiago DC)
Auxili desembarca en Galiza esta sexta feira, día 13, para presentar 'Tresors', o terceiro traballo desta banda de Ontinyent. Un disco que están a presentar ao vivo nunha xira de concertos que, entre outros, lévaos por Galiza, Euskal Herria, Castela ou Catalunya. Este é o seu disco máis explícito e comprometido da reggae band valenciá. Un octeto que desde o seu nacemento foi a máis, pivotando sobre un tronco de reggae do que sobresaen ponlas de ragga, rap, ska... Tamén é este disco o seu traballo máis completo, cunha produción moi perfilada, una rotunda base rítmica e arranxos de ventos e melodías vocais con ensamblaxe perfecta. Versatilidade nos temas, que saben combinar desde o reggae rotundo de "Pàgines negres", "Fora dels murs" ou "El front" a producións de testuras xamaicanas máis avanzadas como "T'escric" (un dancehall a medio tempo e cadencia pop) ou "Com Camot" pasando por tempos acelerados ("No m'esperes" anda no ska) e ritmes fusionados, funk ou incursións acústicas. Actúan esta sexta feira, na sala Malatesta de Compostela, a partir das 21:30 horas. Unha oportunidade de luxo de ver Auxili no seu mellor ambiente, ao vivo, sobre o escenario.
NOS_10222
Nunha longa conversa con Sermos Galiza, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, avalía a crise do réxime do 78, os resultados das europeas e os desafíos de futuro que se abren perante a fronte nacionalista.
Xavier Vence deixa tres titulares nunha conversa co director de Sermos Galiza, Xosé Mexuto. "Temos que movernos e tender máis pontes de diálogo coa sociedade", "A esquerda federal na Galiza non asume a cuestión nacional galega" e "O BNG quer ser o referente da xente que está espertando á política". Pontes de diálogo Os resultados do 25-M -non satisfactorios, embora se cumprir o obxectivo de obter representación na Cámara- obrigan o BNG, di Vence, a "moverse de xeito pro-activo", na procura de "enganchar e dialogar profundamente co que foi historicamente a base social nacionalista, e tamén máis alá dela". A tese de Vence é que nos últimos tempos novos sectores sociais, fundamentalmente xente moza, están a espertar á política e que o repto do nacionalismo galego é conectar con eles. Non vai ser doado, porque, xulga o portavoz nacional do BNG, son sectores moi "dependentes" do "discurso estatal". Daí que o líder nacionalista defenda "galeguizar o debate político e galeguizar as alternativas". A esquerda federal Por que fracasou a rolda de conversas promovida polo BNG con outras forzas soberanistas galegas e coa esquerda estatal? A análise de Vence é esta: "A constatación desta reunión [decorrida os días 4 e 5 de xuño] é que a esquerda española dita federal que opera en Galiza é unha esquerda que ten unha grande dificuldade para entender a fondo o problema nacional galego. Así como noutros territorios puido ter uha evolución que a levou a interiorizar a cuestión nacional de xeito máis profundo, a miña constatación é que a esquerda federal, entendendo como tal a IU na Galiza, non ten esa interiorización, máis alá de que xogue de xeito oportunista e táctico con Anova, para vampirizar o seu capital político e simbólico". A entrevista, na íntegra, fai parte do número 100 de Sermos Galiza, disponíbel nos quiosques do país e tamén na nosa loxa.
NOS_19880
Através dun comunicado de imprensa, Anova anuncia que xa mantivo contactos con Podemos, dentro da rolda de encontros que terá con organizacións potencialmente aliadas para as vindeiras xerais.
Os contactos de Anova con outras forzas son produto dos acordos adoptados pola organización coliderada por Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega durante a súa última Conferencia Política Nacional. Estas conversas con Podemos son as primeiras das que se ten constancia formal e nelas, salienta Anova no seu comunicado, a forza integrada en AGE di ter identificado "importantes coincidencias con Podemos Galicia". Anova enumera até cinco coincidencias. A saber: 1.-Ambas as organizacións entenden "Galiza como nación e o Pobo Galego como suxeito de soberanía". 2.-Concordan en que unha eventual alianza debería resultar nun "espazo parlamentario propio que teña a Galiza como o seu espazo de representación". 3.-Conciben "as nosas organizacións como instrumentos da cidadanía do común". 4.-Partillan a visión da "realidade plurinacional do Estado español" e o esgotamento "do réxime do 78". Tamén en que o novo marco para o Estado só pode vir "mediante un proceso de procesos constituíntes que garanta o respecto das vontades soberanas dos suxeitos políticos das diversas nacións". 5.-Concordan en facilitar o traballo "nos espazos de poder cidadá" naqueles concellos en que Anova e Podemos participaron en mareas con independencia "do resultado dos procesos de diálogo para conformación de candidaturas ás eleccións xerais". No comunicado Anova utiliza a expresión "unidade popular", presente tamén no discurso de Podemos. O asunto é que Podemos entende que a unidade popular se vehiculiza precisamente através das súas siglas e da súa marca, que considera irrenunciábeis após os acordos do seu congreso de Vista Alegre e do seu recente referendo interno (no que, aliás, apenas participou o 11% das persoas con direito a voto). Podemos Galicia, de acordo con este comunicado de Anova, entende Galiza como suxeito de soberanía. Aliás, dirixentes de Podemos Galicia teñen dito que a organización galega non pode decidir por si propia se se integrar ou non nunha hipotética candidatura galega, sendo que a última palabra sobre esa cuestión a teñen os órgaos estatais do partido. Fontes da dirección de Anova anunciaron a Sermos Galiza que a formación manterá tamén encontros nas próximas datas co BNG e con IU.
NOS_3391
O presidente da Xunta presentou o proxecto de orzamentos para a Galiza de 2021 como os de "maior gasto da historia". Porén, sen ter en conta a inflación, os datos amosan que en plena pandemia, a Galiza terá un orzamento de até 1.500 millóns de euros menor ao de 2009, antes da chegada de Núñez Feixoo á Xunta.
De "oportunidade perdida para a Galiza" e de "falla de orientación e de ambición para a afrontar a crise", así cualificaron os grupos da oposición no Parlamento galego (BNG e PSdeG) o anteproxecto de Orzamentos Xerais da Galiza para 2021 que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, presentou esta sexta feira, 20 de novembro, aos medios após rematar o Consello de Goberno. En función dos datos ofrecidos por Feixoo na rolda de prensa, -a proposta das contas non se fixo pública e até a vindeira segunda feira non será entregada aos grupos parlamentarios-, os orzamentos alcanzarán 11.563 millóns de euros e "esgotarase o teito de gasto", situado en 11.664 millóns, ao sumar outros 92 millóns en créditos para a dinamización empresarial. Son as maiores contas "da historia", dixo o presidente, cun "reforzo histórico do gasto social". Así, en función do anunciado, os orzamentos aumentarán 13,93% a respecto dos do pasado exercicio (10.149 millóns) e 14,9% de contabilizar eses fondos para créditos dotados de 92 millóns. Xunto ao presidente estivo na rolda de prensa o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que destacou como "principal novidade" a disposición de "novos fondos": un dotado de 503 millóns denominado 'Covid', outro, 'React- EU' con 430 millóns; un terceiro con 115 millóns de 'Consenso' e outro "de garantía de investimentos sanitarios", que prevé 105 millóns. Dentro do primeiro fondo, o 'Covid', 264 millóns son para sanidade, 13 para turismo e 92 para educación, mesma cifra que o Estado destina para a Galiza no fondo Covid-19 de ensino. Con todo, non é posíbel corroborar se eses 92 millóns que anuncia a Xunta son do Estado, ao non facerse pública a proposta de orzamentos. Precisamente, a oposición criticou a opacidade da Xunta. "O afán propagandístico do presidente é tal que alcanza a presentación do proxecto de orzamentos, rompendo co hábito de remitir o documento das contas públicas ao Parlamento ao día seguinte da súa aprobación polo Goberno, e decide confiscalo tres días para poder lanzar a súa propaganda sen que poidamos ter acceso aos datos", denunciou a xefa da oposición e portavoz do BNG, Ana Pontón. Menos cartos que en 2019 Con dureza cargou contra Feixoo a líder do Bloque desmentindo que se traten "dos orzamentos co teito de gasto máis alto da historia, porque descontando o efecto da inflación, a Galiza contará para saír da pandemia con máis de 1.000 millóns de euros menos que os que tiña en 2009". A cuestión é que nese ano, antes de Feixoo chegar á Xunta, o orzamento para Galiza estaba en 11.426 millóns de euros. Case 12 anos despois, tendo en conta a suba do IPC, en termos reais, o novo orzamento de 2021 deixa o país con 1.500 millóns de menos. Aliás, Feixoo inclúe nas súas contas fondos da Unión Europea para Galiza, como o 'React-EU' e do Estado. Todo apunta, engadiu a nacionalista, que "será unha oportunidade perdida despois de ver como o presidente utilizaba a presentación das contas para repetir os mesmos titulares de cada ano, mesmo en plena pandemia". Nese sentido, Pontón cualificou de "inaudito" que no medio da crise o mandatario actúe como no "día da marmota" repetindo "un ano máis" que as contas públicas serán "as máis sociais". A líder do Bloque botou de menos que o xefe do Executivo concretase o anunciado incremento en sanidade, cando "só a Atención Primaria precisa dun investimento adicional urxente de 200 millóns", explicou, e que tampouco fixese "mención ningunha ao que recolle o proxecto en materia de coidado das persoas maiores, tendo en conta o drama que se está a vivir nas residencias". "Sen orientación" O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou a súa "preocupación" sobre os orzamentos de 2021, á vista de que a "medida estrela que inclúen consiste en dar a cada estabelecemento hostaleiro uns 500 euros". Así o salientou logo de que Feixoo anunciase a ampliación das axudas directas á hostalaría até 17 millóns de euros; "unhas axudas que aínda non percibiu ningún hostaleiro na Galiza a pesar de que pasaron xa máis de 20 días desde que comezaron os fechamentos dos negocios", recriminou o xefe de filas do Partido Socialista. "Esta medida está fóra da realidade e das necesidades que ten a Galiza", remarcou Caballero, á vez que fixo fincapé en que o Goberno que deseña este tipo de actuacións "non está á altura" para facer os orzamentos que require o país, "máxime nun contexto como de crise como o actual", explicou. "Cómpre que o gasto social e o respaldo aos sectores produtivos protagonicen as contas da Xunta", incidiu Gonzalo Caballero. Menos de 1% do orzamento a consenso Un dos fondos anunciados polo presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, dentro do anteproxecto de orzamentos para 2021, é o de 'Consenso' e estará dotado con 115 millóns de euros, é dicir, 1% de todo o previsto nas contas do Goberno galego. Chámase de 'Consenso' porque, segundo indicou o xefe do Executivo, o destino deses cartos consensuarase con sindicatos, empresariado e partidos da oposición na comisión parlamentaria de reactivación económica, social e cultural. Para a xefa da oposición e líder do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, isto é un "claro exemplo" da política de Feixoo, xa que só reserva para isto "menos de 1% do gasto, no que máis ben parece unha versión cutre de orzamentos participativos", criticou, "o que deixa claro que nin ten proxecto de país nin interese algún en chegar a consensos no Parlamento a favor da Galiza".
NOS_41366
A candidata a portavoz puxo en valor o papel da militancia ante unha Asemblea Nacional na que se van debater "algunhas das decisións máis relevantes" desde a creación do Bloque. Apostou nun debate "vivo, aberto" do que saían os alicecres "do nacionalismo do século XXI".
Unha candidatura "plural", "aberta", integrada por persoas procedentes de diversas comarcas e de diferentes idades, na que se combina a experiencia na xestión coas novas achegas e o activismo social, cultural ou sindical. Así cualificou Ana Pontón a candidatura que encabeza á XV Asemblea Nacional do BNG e que se presentou publicamente esta cuarta feira en Compostela. "Unha candidatura para dar a cara por esta organización", remarcou, e que "parte das propostas feitas nas asembleas comarcais", engadiu, para salientar cal é a "vontade clara" da mesma: "poñer a punto o nacionalismo para facer fronte aos retos que ten Galiza". "É unha candidatura plural, aberta, para dar a cara por esta organización" Os integrantes da lista arrouparon a deputada. Rostros coñecidos e tamén xente nova. "Dous terzos da candidatura á Executiva Nacional son novos, unha renovación importante", dixo Goretti Sanmartín, número 2 da lista. Pontón, durante a súa intervención, fixo continuas referencias á militancia, destacando que ela é quen ten nas súas mans o futuro do BNG e a súa liña de actuación. "Nesta Asemblea Nacional imos ter unha das decisións máis relevantes desde que naceu o BNG, a súa refundación". Pódese debater sobre todo, respondeu a preguntas dos xornalistas, desde a marca até o modelo frentista. "Milito desde os 16 anos e en todas as asembleas nacionais do BNG debateuse sobre ese modelo, non hai ningún problema en debatilo", dixo. A preguntas sobre as alianzas, reiterou que a dirección aplicará aquilo que a este respecto decida a militancia. Do que se trata, apontou a candidata a portavoz nacional, é que o 28 de febreiro saia un BNG reforzado como instrumento "ao servizo de Galiza" e facendo do nacionalismo "fundamental para un cambio real na Galiza". "Debater, debater, debater" Xosé L. Rivas, 'Mini', que integra a candidatura chamou á militancia a participar na asemblea deste domingo na Coruña, unha cita "para poñernos a punto cos tempos" e no que se vai "debater, debater, debater". Yésica García, de Redondela, destacou a presenza de mocidade e xente nova na lista, unha mostra de que "o nacionalismo ten futuro". Noa Presas, de Ourense, dixo que asumían "con ilusión e ganas este reto" e que esta candidatura "vai dalo todo" para "fortalecer unha ferramenta nacionalista e situada á esquerda". Tamén Goretti Sanmartín tomou a palabra. Defendeu a lista como unha mostra de persoas "con coñecemento do que é o BNG e a súa base social", con "capacidade", e "con moita ilusión". Unha candidatura que profundizará "naquilo que se fixo ben" ao tempo que "iniciar un momento novo" para sumar a todas aquelas persoas que "acrediten que Galiza ten que ter unha forza propia".
NOS_50482
Nin conservadores nin laboristas atinxirán a maioría suficiente para gobernar en solitario, segundo as enquisas, que sitúan o SNP como terceira forza.
Reino Unido vota esta quinta feira para elixir os 650 deputad@s da Cámara dos comúns, da que sairá o goberno que dirixirá o Estado nos vindeiros cinco anos. Após sete semanas de intensa campaña, enquisas e sondaxes sinalan que non haberá maiorías que permitan gobernar en solitario nin a conservadores (teñen agora 320 parlamentares) nin laboristas (255), que obterían por volta dun 34% dos votos cada unha. Ademais, esas mesmas sondaxes apontan a que o tradicional partido-bisagra, os liberal-demócratas (57 deputad@s) perdería nas urnas a metade da súa representación. O dereitista UKIP obtería un 13% dos sufraxios. Fica así un taboleiro do máis aberto e coas olladas postas no espectacular auxe que as estimacións dan ao nacionalismo escocés. O SNP é, de acertar as enquisas, o verdadeiro gañador destas eleccións. Actualmente ten 6 escanos, mais ningunha sondaxe dá que obteña menos de 52 dos 59 escanos en xogo en Escocia para o Parlamento británico. Algunhas mesmo sinalan que os obtería todos, os 59. O independentismo escocés, pois, tería nas súas mans dar o goberno aos laboristas -o SNP xa dixo que "nunca" facilitará un executivo conservador-. A cambio, mais competencias e auto-goberno. E no horizonte, se ben non a curto prazo, un novo referendo de auto-determinación. Gales, Irlanda do Norte, Cornualles Non só escocia mandará representantes nacionalistas ao Parlamento británico. En Gales, o Plaid Cymru aspiraba a incrementar a súa actual representación nesa institución (3 escanos). Hai sondaxes que prognostican un aumento en votos (do 11% de hai cinco anos ao 13%), o que lle permitirá atinxir un cuarto representante. O Programa da formación céntrase no combate contra as políticas de austericidio de Londres e na demanda dun amplo auto-goberno. D@s 650 deputad@s na Cámara dos Comúns, 18 corresponden aos 6 condados irlandeses que forman parte de Reino Unido. O DUP ten 8 representantes na Cámara dos Comúns, o Sinn Féin ten 5 deputad@s, o SDLP obtivo tres e Alliance, unha parlamentar. Non se prevén grandes cambios, se ben dese o unionismo pactouse candidatos unitarios en algúns distritos para desbancar o nacionalismo irlandés. O máis pequeno dos países que forman parte do Reino Unido, Cornualles (Kernow) tamén aspira anuncian que será ben complicado, por non dicir imposíbel. A candidatura nacionalista, Mebyon Kernow, preséntase en 6 circunscricións cun programa de defensa da identidade nacional e dos servizos públicos, polo autogoberno.
NOS_32742
O último plenario da Real Academia Galega decidiu, un ano máis, non lle dedicar o Día das Letras a Ricardo Carvalho Calero. Dezaseis votos contra 8 inclinaron o debate, por intres virulento, a prol do historiador e etnógrafo Antón Fraguas. Non obstante, fontes próximas á presidencia da institución aseguran agora estar dispostas a homenaxear no futuro a figura do ferrolán.
Desde, polo menos, 2005, o de Carvalho Calero é nome habitual entre os candidatos ás Letras. Aquel ano presentouno o académico Xosé Luís Axeitos. Neste 2018 impulsárono o propio Axeitos, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Francisco Fernández Rei, Manuel Rivas, Manuel González, Chus Pato, Xosé Luís Regueira e Euloxio Ruibal. Nas semanas anteriores ao plenario do pasado 7 de xullo, persoeiros como o tradutor Plácido Castro ou a poeta Xela Arias desapareceron das discusións. Só chegaron ao final Fraguas e Carvalho. Desde a presidencia afirman que intentaron buscar consenso arredor deste último, pero que os promotores da candidatura se negaron. Estes alegan que calquera académico se podía sumar á súa proposta, como fixeron Barreiro Fernández ou Manuel Rivas. En todo caso, a sesión do plenario resultou axitada. En defensa da opción Fraguas interviron, entre outros, Xesús Alonso Montero, Xesús Ferro Ruibal e Francisco Díaz-Fierros -o último, canda Salvador García-Bodaño, Pegerto Saavedra e Andrés Queiruga, os que presentaron a Fraguas. Foi Ferro Ruibal, a dicir de varios dos presentes, o que realizou a intervención máis contundente en contra de Carvalho Calero. Chegou a pedir "non politizar as candidaturas" cando os carvalhistas lembraron o compromiso antifascista do autor de Scórpio. Xosé Luís Axeitos, Francisco Fernández Rei, Manuel González, Chus Pato e Manuel Rivas falaron a prol de Carvalho Calero. As mencionadas fontes próximas á presidencia insisten, pasado o pleno, en que consideran posíbel un Día das Letras para Carvalho Calero. Pero engaden que debe facerse "desde o consenso que integre todas as sensibilidades". "É unha figura que merece o recoñecemento desta institución pola súa importancia na historia da literatura galega", precisan estas fontes, mais ao tempo amósanse "preocupadas" polas repercusións que a escolla reintegracionista do ferrolán podería ter no ensino de ser finalmente o protagonista do 17 de maio. Hai anos que unha parte importante do tecido cultural e asociativo do país reclama o Día das Letras Galegas para Carvalho Calero, especialmente desde Ferrol e bisbarra -onde institucións e sociedade civil comparten causa. A importancia intelectual da súa figura é indiscutíbel, ben sexa como literato, ben como estudoso da lingua e da literatura, ben como docente. Mais a cuestión normativa manteno nunha especie de marxinación oficialista.
PRAZA_16823
O Goberno desbota acudir á cita prevista para este venres tras advertir os sindicatos de que querían aclarar a suposta oferta de 300 euros de suba salarial. A policía desaloxou delegados de San Caetano. "A responsabilidade da Xunta é rematar co conflito da Xustiza e non dilatalo" Feijóo volve atacar o persoal de Xustiza en folga e advírteo de que "está sendo utilizado"
Cando se cumpren xa dous meses e unha semana de folga e a piques de se cumprir tres semanas sen xuntanza ningunha entre Xunta e persoal, o Goberno galego decidiu non acudir á convocatoria prevista para este venres. A Administración advertiu de que non subiría a súa última oferta económica (un incremento de 133, 108 e 105 euros ao mes segundo a categoría) e os sindicatos responderon avisando que a única intención da cita debía ser a de que o Executivo explicase o presunto aumento de 300 euros ao mes ao que aludiu en varias ocasións o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Os sindicatos pediron que a xuntanza servise para que a Xunta explicase a suposta oferta de 300 euros, na que inclúe a suba estatal pactada para todo o funcionariado A Xunta inclúe nestes 300 euros de oferta o incremento prometido por parte da Administración galega, xunto á suba pactada a nivel estatal para todo o funcionariado. Deu por explicada a proposta e por anulada a reunión. Pero os representantes dos traballadores acudiron á cita á que non foi a Xunta coa intención de que se lles explicase con detalle a oferta. Mesmo intentaron entrar na sede da Administración e o comité de folga denuncia que non se lles permitiu. Desde o sindicato Alternativas da Xustiza-CUT, aseguran ademais que o Goberno galego "non só non compareceu senón que utilizou a policía para botar fóra" os seus delegados, que foron os únicos que conseguiron entrar en San Caetano. A policía desaloxou delegados sindicais de San Caetano, a onde se lles impedira a entrada "Non aceptamos chantaxes", di este sindicato, que acusa a Xunta de levar a cabo "unha demotración máis de prepotencia e chulería" e de empregar "unha táctica de desgaste", repetindo as palabras empregadas polo fiscal delegado de Medio Ambiente en Galicia, Álvaro García Ortiz, que xa amosara en Praza.gal o seu rexeitamento ao proceder neste conflito do Goberno galego, ao que instaba a "sentar a negociar" e "non dilatar". Con todo, e malia a última negativa, o vicepresidente da Xunta e conselleiro responsable da Xustiza, Alfonso Rueda, volveu instar os sindicatos a sentar e volver ás negociacións e acusounos de "non querer negociar". Ademais, denunciou as "contradicións" e posturas "incomprensibles" dos sindicatos, aos que pediu "obxectividade". Tamén reiterou a "vontade negociadora" da Xunta pero que non tolerará "unha poxa con diñeiro público". Ao tempo, os xuízos suspendidos poden superar xa os 20.000 mentres que os traballadores en folga acumulan uns 3 millóns de euros perdidos en salarios por mor do paro indefinido que desenvolven desde o pasado 7 de febreiro. Segundo a Xunta, o seguimento da folga sitúase en máis do 30%, fronte ao máis do 75% no que o cifran os sindicatos. Sexa como for, son case 900 os traballadores da Administración de Xustiza os que non acudiron este venres ao seu posto de traballo, mentres que case uns 800 máis fixeróno en cumprimento dos servizos mínimos nun cadro de persoal dunhas 2.700 persoas.
PRAZA_11885
Profesionais do Servizo Galego de Saúde lamentan que Sanidade albergase na súa web interna comentarios "de dubidoso gusto" que chegaban a "ridiculizar" os pacientes por aspectos como falar galego ou non coñecer termos clínicos
"-Y dígame, usted tiene oxígeno en casa? Y responde el acompañante: -Ai, non, nós na casa temos butano". "Estando en el mostrador de cita especializada se acerca un hombre seguido de su mujer y me dice: ´A ver, que veño ca muller do ginecólogo e dixo que lle hai que facer unha mamadafría` (...) Me tuve que levantar para buscar el documento correspondiente (y partirme el culo de risa de paso, jejejeje)". Son dous exemplos tirados do "concurso de anécdotas" co que o Servizo Galego de Saúde celebrou o seu vixésimo aniversario. Segundo confirman diversos profesionais sanitarios consultados por Praza Pública, hai escasas semanas que vén de rematar un certame co que, explican, o Sergas trataba de pór "humor" á efeméride, pero que rematou nunha escalada de relatos "de dubidoso gusto", cando non directamente de "faltas de respecto" cara aos pacientes. Falar galego ou non coñecer determinada terminoloxía clínica, detalla unha traballadora do servizo de enfermaría dun dos grandes hospitais galegos, era motivo dabondo para "rirse do enfermo" a través dun comentario aloxado na rede informática interna da sanidade pública galega. O feito de que os ordenadores da intranet do Sergas non estean conectados a Internet impediu a difusión masiva da curiosa celebración, se ben o malestar dalgúns traballadores si transcendeu. Así, por exemplo, o médico Pablo Vaamonde lamentaba no seu blog a celebración do concurso: "a grande maioría das anécdotas recollidas reflicten un esquema clásico: o señorito da cidade que xuzga con menosprezo ao paisano do rural, que fala galego", resume. Tamén a sección sanitaria da Confederación Intersindical Galega amosou o seu malestar ao respecto. A través dos seus representantes en Lugo, a CIG Saúde afirmaba que a "ocorrencia" de Sanidade "fai que nos preguntemos que tipo de ente é o Sergas, que se permite licencias que nin traballadores nin usuarios ousamos permitirnos". Nota de desculpa e pregunta no Parlamento Aínda que este malestar no cadro de persoal non foi respondido publicamente polo Sergas, os propios traballadores confirman que, de novo a través da intranet, si houbo "o que poderíamos considerar unha certa rectificación". Así, explican, a pasada semana no espazo dedicado ao concurso apareceu unha nota dando o certame por rematado, agradecendo a participación e, ao tempo, facendo un distingo entre o "humor" e as "faltas de respecto", detallan. Con todo, o Goberno galego, nomeadamente a nova conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, si se verá obrigada a dar explicacións públicas sobre o concurso. Será no pleno do Parlamento e para respostar a unha pregunta xa rexistrada pola voceira do BNG en materia sanitaria, Ana Luisa Bouza, quen no documento presentado ante a Cámara censura a publicación na web oficial do Sergas de "situacións nas que doentes aparecen en situacións ridículas". "Considera o Goberno galego que debe promover que se faga pública burla dos e das doentes?", cuestiona a parlamentaria nacionalista ao Executivo.
NOS_12259
O afundimento do Prestige, mais tamén os incendios, a extracción de recursos, a desecación da lagoa de Antela, a industria louseira... FFoco, o Festival de Fotografía da Coruña, reflexiona na súa sexta edición sobre as cicatrices que deixa no territorio a actividade humana e sobre a repercusión que ten sobre o imaxinario colectivo e a identidade.
No ano en que se conmemora o vixésimo aniversario do afundimento do Prestige fronte á costa galega, FFoco, o Festival de Fotografía da Coruña que ten a súa sede principal na Fundación Luís Seoane, dedica a súa sexta edición a este e a outros desastres ambientais que deixan cicatrices no territorio. A partir do 4 de novembro, o festival exhibirá varias mostras cuxas protagonistas son catástrofes máis ou menos mediáticas, máis ou menos recoñecidas como tales, que deixan unha pegada conflitiva na paisaxe e no imaxinario colectivo do país. "O aniversario do desastre do Prestige era algo que marcaba a actualidade nun festival que se dedica, aínda que cunha mirada moi ampla, á fotografía documental", explica Juan Varela, un dos comisarios artísticos do encontro. Sabiamos que o valenciano Julián Barón -que é un dos grandes renovadores da foto contemporánea a través do seu traballo no colectivo BlankPaper- estaba a traballar coa editorial de Sarria Alauda Negra no proxecto O desengano, realizado orixinariamente ao pé dos acontecementos que rodearon a crise do petroleiro e que supuxo unha das primeiras tentativas de definir un discurso sobre a catástrofe desde a fotografía, e non dubidamos en darlle un papel principal no festival". A partir de aí, o equipo de FFoco decidiu ampliar o encadre para incluír outros fenómenos que, ben por accidente, ben por unha explotación dos recursos pouco coidadosa, vai deixando pegadas na paisaxe. E así incluíron os traballos da luguesa Catara Rego, que en Zona de sacrificio, aborda o feito de como o aproveitamento da auga, a terra e o vento modifican o territorio, asumido como unha forma de identidade; de Blas González, que en Cadernos da Limia, afonda na fenda que deixou nesta comarca o desecado da lagoa de Antela, coa perda dun patrimonio natural e cultural de enorme valor; de Beatriz García, que en Lousas enfronta un dos grandes problemas dos que poucas veces se fala: a contradición que implica que a industria louseira de Valdeorras sexa, a un tempo, motor económico da zona e símbolo dunha formidábel agresión contra o medio natural, e as discrepancias que isto crea na convivencia da propia veciñanza. Finalmente, tamén se exhibirán os traballos da ourensá Rosa Veiga sobre os incendios que, un ano tras outro, asolan o rural galego. "Hai moitos fotoxornalistas na Galiza que están a documentar dunha forma moi interesante o fenómeno dos incendios", apunta Varela, "pero escollemos a Rosa Veiga por ser unha das poucas mulleres que traballan neste campo". O fotoxornalista Brais Lorenzo, gañador do XVI Premio Luis Ksado de creación fotográfica Cicatrices persoais O festival tamén se abre á documentación doutras feridas persoais como a da compostelá Laure Mojo, que en Autoconstrución documenta o proceso que levou ao seu pai -con problemas co alcol- a experimentar un cambio drástico, físico e mental. Ou do romanés Marius Scarlat, que en Onde os cans non ladran narra a historia de Gigi, o seu tío, e os seus problemas co alcol. "Parecíanos moi interesante porque moitas persoas nos comentaban que a estética das súas fotografías neste proxecto remitían á Galiza, moita xente identificaba estes lugares como galegos. E parecíanos unha forma pertinente de abrirnos a outras miradas", comenta o comisario do festival. Completan esta sección unha escolma da creación de Bernardo Villanueva, que emprega A Coruña como escenario, e Raza, de Tono Arias, que afonda na realidade social do rural galego, para reflexionar sobre outros conceptos máis universais, como a relación do ser humano coa natureza, a soidade do individuo, o amor e a morte, o territorio e a súa transformación. Ademais, FFoco tamén alberga unha feira editorial centrada na divulgación de libros de fotografía. No seu seo presentarase o fotolibro Origen o cuando la marea baja, de Ana Paes (A Guarda, 1982), gañadora da primeira edición do Premio Editorial de Fotografía Documental Galega, impulsado polo propio festival. O documentalismo galego Varela cre que a fotografía documental galega está a pasar por un gran momento, "porque está a contar historias que, desde un punto de partida local están a espertar atención globalmente, tratando temas universais como a relación coa natureza, as cuestións de xénero ou a definición das identidades". "O ano pasado", relata Varela, "dedicamos unha exposición individual a Lúa Ribeira, que fixo historia ao ingresar na mítica Axencia Magnum, na que segue habendo moi poucas mulleres". Ela, que agora está expondo en Nova York, é, segundo Varela "unha punta de lanza do que se está a facer no país: hai moitas outras persoas que están a traballar a un nivel moi alto e que están obtendo un recoñecemento internacional. Quizais na Galiza faltaba crear estas redes nas que poder exhibir estes traballos e fortalecer o tecido creativo. Nós pensamos que a mellor maneira de facelo é, desde aquí, desde a casa, e iso é o que nos move e o que nos anima a seguir con FFoco". Os rostros da represión toman ás rúas
NOS_22687
O PSdeG-PSOE xuntou este sábado en Santiago de Compostela á súa comisión Executiva para analizar a situación "extraordinaria" que padece Galiza e formular unha alternativa diante dunha "Xunta ausente".
O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, denunciou, ao comezo da reunión deste sábado da Executiva dos socialistas galegos, a falla de atención dos populares aos problemas da Galiza e lembrou que a Xunta "esta fin de semana volve deixar a Galiza sen Goberno, ao igual que nos últimos días, con ningún conselleiro de garda". O máximo responsábel do PSdeG significou que "diante da situación extraordinaria que está a sufrir o país convocamos á Executiva do PSdeG", formación á que presentou como un "partido que quere liderar Galiza, que se ofrece co humildade para gobernar o país". Formoso explicou que "estamos activando as áreas estratéxicas para ofertarlle a Galiza un proxecto que con contundencia poida liderar a resposta ás necesidades da sociedade galega a curto prazo". "Se o PP non está disposto a gobernar Galiza, hai un partido que o sabe facer, con fonda tradición de gobernar as institucións, que non vén esnaquizar nada, que non ven facer prácticas de Goberno", continuou Formoso, quen destacou que o seu partido "está activando o seu decálogo de medidas". "Calquera veciño que percorra Vigo, A Coruña, Santiago, Ferrol ou Lugo sabe perfectamente quen é o PSdeG, que é sempre unha alternativa fiábel, a que busca finalmente a sociedade galega", reflexionou Formoso, quen incidiu que a súa organización xa "goberna 62% da poboación galega" A marcha de Feixoo O líder dos socialistas galegos afeou a Feixoo que se presentase ás eleccións galegas "anunciando Galiza, Galiza, Galiza", mais que "a súa resposta de verdade é Madrid, Madrid, Madrid", un "escenario que os galegos e galegas non contemplaron cando votaron". O dirixente do PSdeG criticou ao aínda presidente galego por deixar unha Galiza que "non hai quen goberne", porque levan "semanas máis preocupados de obter representación no PP" a nivel do Estado. Formoso apostou por "amosar a faciana máis construtiva, máis comprometida co seu país e co seu proxecto que se chama Galiza" do PSdeG e defendeu que "Galiza precisa dun Goberno efectivo, comprometido e que funcione, que o seu único obxectivo sexa o país".
NOS_21128
O Diario Cultural da Radio Galega, dirixido pola xornalista e escritora Ana Romaní gaña o Premio do Público do Culturgal, impóndose ás candidaturas de Viñetas desde o Atlántico e Cineuropa.
Desde a temporada 1990-1991, o Diario Cultura da Radio Galega, dirixido desde o seu inicio pola xornalista e escritora Ana Romaní converteuse en referente imprescindíbel de información natural e agora o público do Culturgal premia a súa traxectoria outorgándolle a segunda edición do seu premio. Con case cen votos de diferencia con respecto a seguinte candidatura, o Diario Cultural impúxose diante de iniciativas consolidadas e de amplas traxectorias como Cineuropa dirixido por José Luís Losa o o Salón Internacional do Cómic, Viñetas desde o Atlántico con Miguelanxo Prado á fronte. O Diario Cultural continúa en antena todos os días de 15 a 16 horas cunha oferta de entrevistas, información reportaxes e mesmo espazos de creación nas ondas como o actual sonigramas. O programa de Ana Romaní conta tamén con especialistas de distintos ámbitos da cultura, ofrecendo crítica e información das novidades producidas en diversos lugares do mundo de especial relevancia para a nosa cultura. Creación nas ondas Do Diario Cultural naceu o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico que conta xa con sete volumes con 25 obras inéditas e as súas adaptacións radiofónicas ou o volume Narradio 56 historias no ar (de. Xerais), relatos escritos para a súa emisión radiofónica no programa e que foron logo publicados como audiolibro. Nos vindeiros meses sairá tamén o volume De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI, que publicará a Fundación Rosalía coa antoloxía de poemas emitidos tamén no espazo radiofónico para conmemorar o aniversario da publicación do libro da poeta. O Diario Cultural recibirá o diploma acreditativo no marco do Culturgal, nun acto que se desenvolverá o domingo 7 de decembro ás 17 horas. O premio sumarase a outros recibidos nestes anos de emisión como o de xornalismo cultural da AELG concedido a súa directora Ana Romaní, que está á fronte do programa desde os seus inicios, sendo un indiscutíble referente de información cultural. No Diario Cultural traballaron tamén escritores e xornalistas como Begoña Caamaño o Anxo Quintela e na actualidade a poeta Xiana Arias.
NOS_15893
O presidente de Uruguai, Luís Lacalle, anunciou unha rebaixa salarial de até 20% en soldos que tamén afectará ás pensións vitalicias.
O presidente de Uruguai, Luís Lacalle Pou, anunciou un novo paquete de medidas económicas para facer fronte aos efectos colaterais da pandemia de coronavirus, cun recorte para todos os soldos e pensións públicas superiores aos 80.000 dólares anuais netos. "Os máis vulnerábeis van ser os máis privilexiados, ou mellor dito, os máis atendidos", argumentou Lacalle Pou, que desde o inicio da pandemia aprobou un paquete de medidas valorado en 300 millóns de dólares, equivalente a 0,7% do Produto Interior Bruto (PIB) dese país. Nun intento por buscar fondos, anunciou unha rebaixa salarial de entre 5% e 20% para soldos públicos que afectará a altos cargos actuais -incluídos membros do Goberno- e pensións vitalicias. A recadación estímase que será, segundo fontes do executivo, de entre 15 e 20 millóns de dólares (13,6 e 18,1 millóns de euros). Con este diñeiro, crearase o Fondo coronavirus, do que o Goberno aspira a obter fondos cos que facer fronte ao brote. Lacalle admitiu que o recorte salarial non basta para cubrir as necesidades, mais sinalou que é "solidariedade pura para a xente". O presidente asegurou que "non é unha medida simpática, mais entendemos que é solidaria", que non descarta mobilizacións por parte dos funcionarios públicos. En Uruguai a pandemia da Covid-19 suma xa 238 casos.
PRAZA_8675
Hai só un mes apoiaban o presidente, pero agora celebran a saída do home que dirixiu o grupo desde 1980. Os sindicatos tentan mobilizarun persoal conmocionado e disperso nun armazón de pequenas filiais
Unha sensación de alivio percorreu este xoves o persoal de Pescanova ao coñecer a decisión xudicial de apartar da presidencia a Manuel Fernández de Sousa. Moito cambiaron as cousas nun mes: o 19 de marzo os traballadores leron un comunicado para pechar filas co home que dirixiu a compañía con man de ferro dende 1980. Agora, a entrada definitiva no proceso concursal, acompañada da suspensión de facultades do consello de administración ao completo, despexou o único camiño que os empregados consideran posible para salvar a maior parte dos 1.500 empregos directos que o grupo mantén só na provincia de Pontevedra. Moito cambiaron as cousas nun mes: o 19 de marzo os traballadores leron un comunicado para pechar filas co home que dirixiu a compañía con man de ferro dende 1980 O silencio dos empregados do xigante galego da pesca ten que ver coa conmoción de quen descobre de súpeto que vive nunha farsa. "Hai xente que leva até 40 anos traballando na empresa e sempre cobraron puntualmente. É normal que nun principio todos arroupasen o presidente", afirma Francisco Vilar, secretario da Federación Agroalimentaria de Comisións Obreiras de Galicia. Coma o resto de galegos, os socios de Sousa e moitos membros do consello, os traballadores asistiron con estupor á sucesión de noticias sobre o conxunto de irregularidades que levaron o Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra a unha decisión insólita: suspender facultades aos directivos nun concurso de acredores voluntario. A súbita aparición dunha débeda de 3.300 millóns de euros, a dobre contabilidade, a venda de accións particulares de Sousa previa á solicitude do concurso ou a ocultación dos estados financeiros á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), entre outras irregularidades, desmontaron nun mes o patriarcado exercido durante 33 anos polo fillo dun dos dous fundadores. As irregularidades, desmontaron nun mes o patriarcado exercido durante 33 anos polo fillo dun dos dous fundadores Coa súa saída e o nomeamento dun administrador concursal pola propia CNMV, os traballadores aspiran a establecer unha interlocución agora inexistente. "Dende que empezou todo isto vimos demandando que o consello se reúna cos representantes das distintas empresas, porque todo o que coñecemos é a través da prensa, pero é coma se non houbese dirección do grupo", lamenta Vilar. Atomizados Outra das razóns do papel secundario dos traballadores na crise ten que ver coa súa peculiar estrutura. Non hai comité intercentros, senón unha suma de pequenos comités de empresa de escasa capacidade de presión Outra das razóns do papel secundario dos traballadores na crise ten que ver coa súa peculiar estrutura, cunha matriz, Pescanova, con apenas un cento de empregados en Galicia, menos que os das filiais -que concentran o 80% da débeda do grupo- como Frivipesca (250), Frinova (250), Bajamar Sétima (170) ou Insuiña (150), entre moitas outras. Non hai comité intercentros, senón unha suma de pequenos comités de empresa de escasa capacidade de presión. No conxunto de Galicia, pero sobre todo na provincia de Pontevedra e na contorna de Vigo, están en xogo outros 3.500 empregos indirectos, estreitamente vinculados á capacidade tractora do grupo. "A caída de Pescanova sería unha traxedia", resume un membro do persoal. A decisión de apartar a Fernández de Sousa da presidencia foi solicitada por dirixentes de CCOO, maioritario no grupo, nunha recente reunión co xuíz, pero non modificará o proxecto de convocar unha gran manifestación en Vigo a finais de maio. Os traballadores seguen apostando por unha empresa capaz de xerar beneficios, pero entrampada nunha débeda ingobernable, produto dunha temeraria política expansiva. A decisión de apartar a Fernández de Sousa da presidencia foi solicitada por dirixentes de CCOO, maioritario no grupo, nunha recente reunión co xuíz, pero non modificará o proxecto de convocar unha gran manifestación en Vigo a finais de maio "Asumimos que a saída da crise vai ter custos", admite outro empregado. Tras a marcha do eterno presidente, os sindicatos saben que para evitar a liquidación deberá producirse unha renegociación de créditos, posiblemente unha capitalización de débeda, unha quita e, o máis temido, a venda de activos. Fondos voitre O temor á aparición de fondos voitre que condicionen o seu diñeiro a drásticos recortes laborais, coma os que tamén poden esixir os bancos acredores, planea sobre as case 5.000 familias que dependen directa ou indirectamente de Pescanova en Galicia Os rumores sobre a posible entrada de fondos de capital risco na compañía é unha das grandes incertezas para os traballadores. "O ideal sería un socio industrial e financeiro, alguén con experiencia no sector", reclama Francisco Vilar. Pero o temor á aparición de fondos voitre que condicionen o seu diñeiro a drásticos recortes laborais, coma os que tamén poden esixir os bancos acredores, planea sobre as case 5.000 familias que dependen directa ou indirectamente de Pescanova en Galicia, un grupo que supera os 12.000 empregados no mundo. Os temores non parecen infundados. Os investidores que elixiron depositar o seu capital en Pescanova nas semanas previas ao estalido da crise chámanse Silicon Metals Holding, participada por sociedades de Illa Caimán e Delaware; Capital Research and Management, con sede en Los Angeles, ou Houlihan Lokey, especializado en reestruturación de débedas. Con Sousa destituído, o futuro dos traballadores queda nas mans da administración concursal, á que os sindicatos preveñen contra a "tentación" de recorrer a medidas en prexuízo dos traballadores.
NOS_42482
O Goberno galego non recorreu o fallo do TSXG que o condena a executar as obrigas derivadas do convenio asinado en 1991 coa Deputación de Pontevedra.
A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que condena a Xunta a realizar as obras de rehabilitación e mantemento do Pazo de Montero Ríos, en Lourizán (Pontevedra), xa é firme logo de que o Goberno galego non recorrese a decisión xudicial emitida o pasado mes de febreiro pola sala do contencioso administrativo. Esta decisión xudicial do alto tribunal galego dálle á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda un prazo de dez días para que "leve a puro e debido efecto" a súa decisión, en cumprimento dos contidos da sentenza pola que foi condenada a executar as obrigas derivadas do convenio asinado en 1991 coa Deputación de Pontevedra sobre a restauración e mantemento desta xoia do patrimonio civil do país, declarada Ben de Interese Cultural (BIC). A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa satisfacción pola decisión ao afirmar que "os convenios teñen rango de norma e hai que cumprilos". A Deputación de Pontevedra acudirá aos tribunais para que a Xunta rehabilite o Pazo de Lourizán Silva subliñou que o contido do acordo deixaba "ben claro" que era a Xunta a que debía asumir os labores de rehabilitación e mantemento deste pazo "precioso e extraordinario". Aliás, pediu á Xunta que achegue os "recursos necesarios", que nun primeiro intre cifraran en 14 millóns de euros pero que coa deterioración actual e o paso do tempo serán "uns 20 millóns". "Pero a Xunta ten capacidade e será unha gran noticia", concluíu a presidenta. A Xunta salienta que os traballos "xa se iniciaron" Após coñecerse a decisión xudicial, a Xunta lembrou que "xa iniciara" as obras de rehabilitación do pazo "mesmo antes de coñecer o contido e alcance" do fallo emitido no mes de febreiro. A Xunta media para que o Pazo de Lourizán sexa cedido a Ence Incidiu, como xa fixo no momento en que transcendeu a sentenza do TSXG, en que os traballos, que están concluídos, "foron realizados ao amparo do convenio de cesión do predio e as súas instalacións" á Xunta. A Consellaría do Medio Rural apunta que as actuacións consistiron na reposición da cuberta de laxa e a reparación do tellado nalgunhas partes do edificio, a limpeza de canlóns e baixantes, a substitución de pezas de chumbo por outras de zinc, a limpeza de terrazas ou cambios no sistema de iluminación, entre outras.
NOS_30185
"Estamos libres, todo ben", asegurou Cristian López, que canda Felipe Carnotto, viaxa xa a Grecia para cubrir as eleccións no país heleno
O xornalista Cristian López e o fotógrafo Felipe Carnotto, que cobren desde hai uns días a crise dos refuxiados no surleste de Europa para Sermos Galiza, están xa en liberdade logo de que a Policía da localidade serbia de Presevo os retivese durante seis horas por, segundo os axentes, "cruzar ilegalmente" a fronteira que separa Serbia de Macedonia. Os enviados especiais, que contan coa acreditación do Ministerio de Asuntos Exteriores español, están xa en Macedonia após o xuíz de garda decretar a súa liberdade sen cargos. "Estamos libres, todo ben", sinalou a Sermos Galiza o xornalista vigués logo de ser liberado, para o que tiveron que pagar 50 euros sob ameaza de seren novamente arrestados. López e Carnotto publicaron no número 163 de Sermos Galiza, que saíu do prelo a pasada quinta feira, unha ampla crónica na que relatan o éxodo dos refuxiados cara a Europa no seu traxecto entre Grecia e Serbia. No país heleno cubrirán as eleccións xerais, das que darán conta na crónica que verá a luz no vindeiro número do semanario.
NOS_16967
O oráculo de Tezanos aparece na súa última mostra, tomada antes da sesión de investidura, máis favorábel ao PSOE que nunca. Tanto que a formación de Sánchez superaría en intención directa de voto á suma dos sufraxios colleitados por Podemos, PP e Cs.
41,3%. Esa é a intención de voto (sobre o total de sufraxios emitidos) coa que o PSOE enfrentaba a sesión de investidura. Unha marca que coloca o partido liderado por Pedro Sánchez a unha distancia sideral dos seus competidores. A segunda praza sería para o PP, 13,7%, en tanto que Unidas Podemos desprazaría a Cs da terceira ao cuarta praza, ao obter 13,1% fronte ao 12,3% dunha escadra de Albert Rivera que cotiza á baixa. O CIS debuxaría un tetrapartidismo cun partido alfa claramente dominante: 41,3% para o PSOE e 39,1% para a suma (politicamente inviábel) de PP, Cs e Podemos. A ultradereita de Vox confirma a súa tendencia descendente e tería de se conformar cunha intención directa de 4,6%. Os datos sen dúbida reforzarán o discurso do sector que dentro do PSOE presiona Sánchez para este non se submeter a unha segunda sesión de investidura e ir consecuentemente a eleccións o 10N. En todo caso, na propia contorna de Sánchez hai non poucas cautelas á hora de dar por bons os resultados dos inquéritos nestes momentos. Este, alén do máis, foi feito antes da sesión de investidura e por tanto non recolle os seus efeitos, non reparte as culpas entre PSOE e Podemos sobre a reponsabilidade do non acordo entre as dúas forzas da esquerda. Analistas de Ferraz temen que unha convocatoria o 10N provocada polo cisma entre Sánchez e Iglesias podería resultar na desmobilización das forzas progresistase e nun eventual triunfo das dereitas. Canto ás forzas soberanistas, o CIS confirma o que outros estudos xa anticiparan. en Catalunya ERC gaña por goleada a liga no bloque independentista a JxCat (4,5% a 1,6%, respectivamente), en tanto que en Euskadi o PNV conseguiría 1,4%, tres décimas máis que EH Bildu.
NOS_37639
Andrés García, de Acerga, convida o goberno a "tomar nota" da resolución e "escoitar máis o sector do mar".
A sala do contencioso-administrativo da Audiencia Nacional vén de resolver a favor do recurso presentado pola Asociación galega de armadores do cerco de Galiza (Acerga) contra a orde de 2014 que fixaba o reparto de cotas para o 2015. Unha "boa nova", recoñece Andrés García, voceiro de Acerga, que lembra que o goberno español pode recorrer a sentenza perante o Supremo. Porén, García convida o executivo español "a tomar nota" da resolución e "decatarse" que non se pode lexislar sen ter en conta o sector do mar. O recurso foi presentado contra os criterios que fixan o reparto das cotas en 2015 no caladoiro Cantábrico-Noroeste. Esa campaña xa finalizou mais desde o sector valoran que esta resolución serve para indicar como pode resolverse o recurso que teñen contra o reparto para 2016. En ambos os dous casos, o posicionamento dos cerqueiros galegos é que o reparto "non é válido". Explícao Andrés García: "Fan o reparto baseando o 70% en histórico de capturas e o outro 30% por buque e compoñente socioeconómico", o que consideran que é discriminatorio para coa frota galega. Acerga defende un reparto que se basee en barco e número de tripulantes. Gran parte do sector galego foi desde o principio moi crítico co reparto fixado en Madrid, nomeadamente para especies como xarda e xurelo. Consideraban, e consideran, que o mesmo prexudica e damnifica a Galiza pois prima criterios históricos e non de barcos e tripulantes, o que se traduce a que o noso país ten, malia posuir moitos máis buques e mariñeiros, cotas irriosorias. En abril deste ano Acerga presentou un recurso no Tribunal Xeral da Unión Europea en Luxemburgo pedindo a anulación do reparto de TAC e de cotas por etender que prexudica "gravemente" a Galiza, unha "rexión europea altamente dependente da pesca".
NOS_33984
22% fronte a 12,6%
A creación de empresas creceu 12,6% en agosto na Galiza en relación co mesmo período do ano anterior, por riba da media, até situar o total en 250, segundo os datos que publica esta quinta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE). Porén, tamén subiron, case o duplo, un 21,8%, as disolucións de sociedades mercantís nese mesmo período, até 67, delas 50 voluntarias, catro por fusión e 13 doutro tipo. As 250 empresas constituídas significaron a subscrición e o desembolso de case 59,93 millóns de euros. Foron dúas sociedades anónimas (por 360.000 euros) e 248 sociedades limitadas (por 59,57 millóns). Ampliaron capital 80 empresas, por uns 33,45 millóns (tres sociedades anónimas por 251.000 euros e 77 sociedades limitadas por 33,24 millóns). Mentres, 18 compañías reducírono, por 9,23 millóns. Unicamente unha sociedade mercantil desembolsou dividendos pasivos, por 45.000 euros. No conxunto estatal, o número de novas sociedades mercantís aumentou un 7,1% en agosto respecto ao mesmo mes de 2019, até totalizar 5.747 novas empresas. Traslados Un total de 216 empresas galegas trasladaron a súa sede social a outros territorios do Estado español durante o ano 2019. Un estudo publicado pola asesora Informa D&B confirma o mal momento empresarial polo que pasaba Galiza antes da chegada da Covid-19. Segundo o estudo desta asesora 188 empresas decidiron mudar a súa sede a Galiza, un saldo negativo de 28 en relación ás que saíron. En relación ao destino das empresas que deciden abandonar o noso país o informe sinala que 65% foi a Madrid. A perda total de facturación acadaría os 208,7 millóns de euros.
NOS_30249
A proximidade das lapas ás parroquias de Cudeiro e Velle elevan ao máximo a precaución. A veciñanza xa foi desaloxada nas aldeas máis achegadas aos incendios
A cidade de Ourese atópase rodeada por dous lumes iniciados esta cuarta feira. A proximidade das lapas ás parroquias de Cudeiro e Velle obrigan aos servizos de emerxencia a desaloxar as aldeas máis achegadas aos incendios e activan o nivel 1 de alarma. Arredor de 40 hectáreas --entre os dous focos-- de monte fican xa en cinsa onde os grupos de extinción de incendios seguen a traballar, algúns vindos desde León. Imaxe capa: @margaalfonso
NOS_45498
Fica moito por aclarar da revolta galega contra Castela da penúltima década do século XV. Aquela Galiza derrotada no século XIV, con parte das súas clases dirixentes xa alleas ao país, cos vencellos co irmán portugués máis debilitados, sen os apoios internacionais debidos malia os centos de anos de relacións intensas no espazo atlántico aínda dispuxo de folgos para erguerse de novo en base ao vello proxecto dunha Galiza arredada de Castela, unida a Portugal e arrimada, no ámbito xeoestratéxico, as potencias marítimas europeas.
Foron os días de Pedro de Castro, o noso conde vello de Lemos que Vasco da Ponte veu coma "a luz e o lume do Reino de Galiza", de Pedro de Soutomaior, o conde de Camiña pero tamén o Pedro Madruga, cuxas vitorias aínda lembran no sur da nación e de Pedro Pardo de Cela, o rebelde do norte galego que lle botou peito e perdeu a cabeza a mans dos exércitos dos Reis Católicos. A filla de Pedro Pardo de Cela e de Isabel de Castro, Constanza, foi un digna sucesora da estirpe. Mentres a súa irmá, Beatriz, mantivo a rebeldía durante anos nas terras da Mariña e Ortegal, Constanza, e o seu marido Fernán Arés de Saavedra, remataron por refuxiarse no Castelo de Vilaxóan ou de Caldaloba, na parroquia de San Martiño do Pino, no Concello de Cospeito, onde resistiron o cerco das tropas casteláns, comandadas por Diego López de Haro, ao longo dun ano. As duras condicións impostas aos asediados, provocou que durante o ano 1484 boa parte deles morreran, entre elas Constanza de Castro, a consecuencia de consumir auga contaminada, salvándose exclusivamente, segundo o cronista Vasco da Ponte, Fernán Arés de Saavedra, ferido por pedra de trabuco, que veu incautada a totalidade dos seus bens e a quen salvou da execución Diego de Andrade. A crónica da súa rebeldía e do seu tráxico final testemuñada no nobiliario de Vasco da Ponte, fonte historiográfica básica para o coñecemento da nosa historia medieval elaborada a comezos do século XVI, segue a ser unha realidade inexistente para a grande maioría do pobo galego Constanza de Castro é outra das incógnitas por resolver do quebracabezas da Galiza do século XV. Nada arredor de 1445, probabelmente nas terras de Viveiro, casou en primeiras nupcias cun medio irmán da súa nai, Galaaor Osorio a quen en 1460 o conde de Lemos, de quen foi fillo ilexítimo, lle cedeu as vilas de Castro de Rei e Outeiro de Rei para que puidese emparellar coa filla de Pardo de Cela. O matrimonio con Galaaor Osorio, un dos fidalgos máis significados da Baixa Idade Media galega pola súa lealdade e proximidade a Pedro Osorio, rematou por disolverse, segundo a maioría dos autores polas desavinzas co sogro. Unida posteriormente a Fernán Ares de Saavedra, fillo de Ares Vázquez de Parga e Constanza López de Saavedra, sobriña do Mariscal, señor de Guitiriz, compañeiro de loita en Caldaloba, a súa xinea tivo continuidade en Constanza de Saavedra, ao tempo casada con outro grande rebelde galego, Pedro de Miranda, camarada de loita de Pardo de Cela e Pedro de Bolaño polas terras mariñás e de Ponferrada. O malfado daquela derrota de Galiza segue a memoria de Constanza de Castro. A crónica da súa rebeldía e do seu tráxico final testemuñada no nobiliario de Vasco da Ponte, fonte historiográfica básica para o coñecemento da nosa historia medieval elaborada a comezos do século XVI, segue a ser unha realidade inexistente para a grande maioría do pobo galego. Outro tanto acontece co castelo de Vilaxóan ou de Caldaloba, escenario do seu martirio, cuxos restos ameazan derrube a pesar de estar declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1994 e do que hoxe só fica unha torre cuadrangular de 10 metros de lado que se ergue sobre 25 metros. Ao fin, o destino dos días e das persoas que marcaron os feitos decisivos da historia da revolta galega.
NOS_5239
Os 11 tripulantes xa foron rescatados após colidir o barco contra o dique da praia de Barre, nas proximidades de Baiona. O 'Lune' tiña 127.000 litros de fuel-oil.
O cargueiro basco 'Luno', no que ían cinco tripulantes de orixe galega, colidiu contra o dique da praia de Barre, perto do porto de Baiona, na zona basca baixo administración do Estado francés. A resultas do choque, este buque de 100 metros de eslora partiu en dous. O 'Luno' portaba 123 metros cúbicos de fueloil. Nun comunicado, a Prefectura de Pirineos Atlánticos afirmaba que o barco embarrancara por mor dunha avaría eléctrica "total". O buque colidiu co dique da praia de Barre e partiu en dous.. Até a zona desprazáronse helicópteros e medios náuticos, que evacuaron a tripulación. Vertedura As paraias de Barre y Cavalier están pechadas e despexáronse os accesos para que poidan chegar os servizos de loita contra a contaminación. A embarcación sinistrada non levaba mercancía, mais tiña nos seus tanques 127.000 litros de fuel oil para navegar e outros 12.000 de aceite.
NOS_43926
Adaptación animada da novela gráfica de Mark Millar sobre "que pasaría se" Superman fose criado na Unión Soviética en troques de caer ao carón dunha pequena granxa preto de Kansas, nos Estados Unidos de América.
No filme mantense a mesma estrutura que na historia orixinal, mais tamén mudan cousas que enervarán, e mesmo cabrearán, a amantes acérrimas da obra de Millar. Con todo, cinematograficamente falando, estamos ante unha das mellores achegas de DC-Cómics dos últimos anos. Superman: red son | EUA | Sam Liu | 2020 | 84 minutos O responsábel, para ben ou para mal, das discusións que poidan xurdir ao remate do filme é J.M. DeMatteis, guionista curtido en decenas de series e películas animadas, tanto de DC como de Marvel e que aparece nos agradecementos especiais do Joker de Joaquin Phoenix, nada menos. O director Sam Liu, tamén cabeza visíbel de multitude de filmes de superheroes en formato debuxos animados, é quen conduce o leme desta esperada adaptación. Superman é criado por Stalin (curiosamente, "home de aceiro" en ruso). Loxicamente convértese nunha icona soviética a prol do pobo e da igualdade, cousa que non gusta nada aos EUA, que ven ameazado o dominio xeopolítico polos comunistas. Resulta que o home máis intelixente do planeta é Lex Luthor, que, ademais, está casado coa intrépida xornalista Lois Lane. Para acabar co Superman soviético, Luthor constrúe Superior Man, un Superman creado xeneticamente que resulta ser máis supremacista e fascista que Trump. E até aquí podo ler... Como é de supor, o xiro nas personaxes é unha constante na historia; a cada cal máis sorprendente: Superman comunista; Lane namorada de Luthor, un humanista; Wonder Woman simpatizante da URSS e amiga de Superman; o poder de Lanterna Verde ao servizo do exército norteamericano; Batman un terrorista... Pasa a metraxe e o corpo pide máis, que non acaben nunca as cínicas reviravoltas ao cómic orixinal de Jerry Siegel e Joe Shuster. Pero ao final chega... e non para ben. Malia a solemnidade e o cheiro ianqui do desenlace, o filme ben merece un visionado como mínimo... Non pola animación, pola que non destaca precisamente, senón pola liberdade absoluta á hora de abordar a ficción política, a falla de prexuízos na resolución violenta de conflitos e o ton tráxico de consecuencias descomunais. Un deleite para os sentidos e a imaxinación. Con filmes como Superman: Red Son é difícil non pensar que ultimamente as únicas películas decentes de DC-Cómics son as de animación... O Joker de Joaquin Phoenix sería a excepción que confirma a regra.
NOS_33785
A eurodeputada participou en Francia nun debate sobre persoas refuxiadas. Chama a traballar pola posta en marcha de vías libres e seguras, así como pola aprobación da normativa de asilo.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa nunhas xornadas sobre a situación das persoas refuxiadas que teñen luar en Tarbes, Occitania (Estado francés), debate ao que asiste convidada pola eurodeputada do Partido Comunista Francés (PCF), Marie Pierre Vieu. "Temos que frear a construción da Europa fortaleza pola que avogan as forzas da extrema de dereita e seguir avanzando na Europa da solidariedade", subliñou na súa intervención a eurodeputada nacionalista galega. "Miranda animou as eurodeputadas e eurodeputados a traballar pola mellora das condicións de vida das persoas migrantes. Neste sentido, avogou pola necesidade de establecer "unha rede de europarlamentares que traballen pola posta en marcha de vías libres e seguras, así como pola aprobación da normativa de asilo". Lembrou, neste punto, que un primeiro paso no establecemento de vías seguras é o visado humanitario, cuxa tramitación foi aprobada recentemente na Eurocámara. "Compre axilizar este proceso. Non podemos permitir que siga morrendo xente no Mediterráneo polo bloqueo que autorizan gobernos insensíbeis", dixo.
NOS_19485
Podemos prepárase para o importante ciclo electoral do ano 2023, onde deberá enfrontar as eleccións locais e as estatais. O secretario xeral da formación na Galiza e deputado no Congreso pola Coruña, Antón Gómez Reino, analiza para Nós Diario os retos que ten por diante o partido morado.
—A pasada semana rexistraba unha iniciativa para que o Tribunal de Contas investigara os contratos concedidos polo Goberno en funcións de Núñez Feixoo a diversos medios de comunicación, que pretende coa mesma? Se digo que o Partido Popular e particularmente, o PP da Galiza e o señor Feixoo, basearon o seu poder e a súa hexemonía nun disciplinado e case militante apoio mediático creo que ninguén se sorprende. En realidade, teríamos que aclarar que é a xente estritamente politizada da esquerda a que é consciente disto. Por tanto, o obxectivo fundamental desta iniciativa é desvelar con datos e cifras até que punto o señor Feixoo empregou os recursos públicos para modificar a opinión pública, blindar a súa carreira política na Galiza e agora o seu desembarco en Madrid. —A renuncia de Feixoo a presidir a Xunta colocou á fronte do Goberno galego o seu vicepresidente, Alfonso Rueda, que agarda do novo mandatario galego? Creo que o único que podemos esperar do señor Rueda son recortes en sanidade, en educación, en dependencia, manipulación da TVG e, sobre todo, subvencións a medios de comunicación con recursos públicos para maquillar o anódino perfil dun político gris. Que imos esperar senón do PP da Galiza? Non espero nada bo do señor Rueda. O que si espero do conxunto das esquerdas é que entendamos que é o momento de traballar cooperativamente para construír unha alternativa de esquerdas. Que sexamos capaces de acordar e trasladar á sociedade outro proxecto de país. Plural, como plurais que somos as xentes de esquerda na Galiza e sen partidismos. Que cada persoa progresista da Galiza saiba que podemos sumar cun horizonte de país. —2023 está chamado a ser ano electoral, con comicios locais e e estatais. Como analiza o proxecto que impulsa Yolanda Díaz para esas eleccións e con que apoios conta na Galiza? Entramos sen dúbida nun ciclo electoral complexo e transcendental. A xente exixe da política rigor, certezas, eficacia e horizontes. Penso que o labor de Yolanda Díaz e do equipo de galegas e galegos que lideran a Vicepresidencia do Goberno e o Ministerio de Traballo ten trasladado exactamente iso: capacidade de soster, no momento máis difícil, a economía das empresas e das familias. Levo anos xa traballando ao carón de Yolanda. Sei da expectación e esperanza que levanta nas xentes da esquerda. E estou certo de que a mensaxe que manda, de cooperación entre diferentes, de suma de capacidades e persoas da sociedade civil e de organizacións é o que pide hoxe a maioría da xente progresista. Desde logo, desde Podemos Galiza temos clara a tarefa para estar ao servizo de traballar para frear a reacción da dereita, construír un horizonte de país e, porque non, facer Yolanda Diaz a próxima presidenta do Goberno. Que galega ou galego progresista non estaría orgulloso diso? —Leva desde 2015 no Congreso dos Deputados, os seus plans políticos de futuro pasan por continuar na Cámara Baixa ou, pola contra, retornar ao país? Estou a disposición da tarefa en que mellor poda axudar. Creo que temos conseguido algo inédito, unha candidatura galega. Galiza en Común-Unidas Podemos ten conseguido sentar no Consello de Ministros unha galega que levaba anos traballando, no social e no político, pola transformación e a defensa dos intereses da Galiza. Os retos de Gómez Reino Os comicios de 2023 mandan na axenda política de Podemos. A este respecto, a pasada fin de semana a formación morada organizou un encontro na Mourisca, en Lalín, como "golpe de saída para a preparación das municipais". Nesta liña, Gómez Reino afirma que "estamos no proceso de reforzar as nosas estruturas municipais e sinalar as nosas persoas referentes en cada vila e cidade para concorrer ás municipais de 2023" e aposta "por sumar actores políticos da sociedade civil para construír candidaturas que garantan que o noso espazo político estea de novo sentado nas Xuntas de Goberno dos concellos da Galiza". Ao tempo, traballa para que o seu partido "estea perfectamente preparado para axudar a garantir que na Galiza o ciclo electoral teña cor progresista, ecoloxista e feminista".
PRAZA_6661
Asistimos, e seguiremos asistindo, a botaduras de diferentes embarcacións (AGE, Podemos, Mareas …), ao igual que pasa noutras latitudes, pero dunha cousa podemos estar seguros: o partido da esquerda galega, ao igual que os distintos partidos das esquerdas europeas e globais, do novo século aínda non saíron do estaleiro.
Hai uns días o novo portavoz in pectore do Partido Popular de Galicia nunhas declaracións afirmaba que "as mareas eran os restos do naufraxio da esquerda". A verdade é que o barco que pilotaba a esquerda desde 1875 tiña moito de Titanic, ostentoso por fóra pero inconsistente na súa estrutura, e que estaba predestinado ao afundimento As mesmas tiñan unha intencionalidade clara, están enmarcadas no debate preelectoral no que xa estamos inmersos, e apuntan a liña de flotación das Mareas. Non deberíamos, non obstante, refugar o debate que a afirmación en si comporta. Por suposto que a esquerda esta sumida nun naufraxio global. Un naufraxio que se inicia coa caída do muro de Berlín e que desactiva como alternativa a esquerda, tanto a de cultura socialdemócrata como a de cultura comunista. A verdade é que o barco que pilotaba a esquerda desde 1875 tiña moito de Titanic, ostentoso por fóra pero inconsistente na súa estrutura, e que estaba predestinado ao afundimento; pero non é ata a globalización non que o iceberg do capitalismo foi capaz de abrirlle unha vía de auga irreversíbel. Asistimos a un proceso de [re]construción da esquerda galega e planetaria que dáse nun contexto marcado por dous marcos claramente definidos: un proceso de crise sistémica global e multifocal que sitúa ao capitalismo nun colapso multifuncional; e a súa vez, paradoxalmente, no período de maior hexemonía cultural do gran capital. Así que aquí estamos, en botes de salvamento (múltiples nanopartidos) sobrevivindo á espera da reconstrución dunha nova embarcación Así que aquí estamos, en botes de salvamento (múltiples nanopartidos) sobrevivindo á espera da reconstrución dunha nova embarcación. Asistimos, e seguiremos asistindo, a botaduras de diferentes embarcacións (AGE, Podemos, Mareas …), ao igual que pasa noutras latitudes, pero dunha cousa podemos estar seguros: o partido da esquerda galega, ao igual que os distintos partidos das esquerdas europeas e globais, do novo século aínda non saíron do estaleiro. Namentres a esquerda non teña avanzado un modelo alternativo real ao capitalismo seguiremos soamente resistindo Estamos experimentando, despois do naufraxio, estamos reconstruíndo códigos e afirmándonos en novos paradigmas, pero namentres a esquerda non teña avanzado un modelo alternativo real ao capitalismo seguiremos soamente resistindo. Non é pouco pero é insuficiente.
PRAZA_2665
O Concello pon en marcha un proxecto para rehabilitar vivendas abandonadas, usadas no pasado para acoller os docentes das escolas rurais, e destinalas a habitación de emerxencia
De seguro que moitos concellos galegos contan na súa zona rural con moitos exemplos de casa de mestre, vivendas que a localidade lles ofrecía ás persoas que pasaban a ocuparse das vellas escolas que se abrían nunha determinada parroquia. Pasado o tempo, algúns deses inmobles seguiron funcionando como vivenda, adquiriron outros usos ou mesmo desapareceron, pero son moitas as que quedaron abandonadas, mantendo iso si o carácter municipal da propiedade. O Concello da Estrada iniciará en 2016 un proxecto para aproveitar estas estruturas e darlles uso, rehabilitando estas casas do mestre para que funcionen como vivenda de emerxencia social. O goberno local aclara que non se tratará dunha "vivenda social" permanente, senón que se pretende que as súas funcións sexan máis puntuais e de urxencia, destinadas ás persoas e familias que sexan vítimas dun desafiuzamento, mulleres que sufran malos tratos ou para quen perda nun momento dado a súa vivenda habitual por mor dalgunha catástrofe natural ou accidente. O goberno local aclara que non se tratará dunha "vivenda social" permanente, senón que se pretende que as súas funcións sexan máis puntuais e de urxencia Nos Orzamentos do Concello para o vindeiro ano figura unha partida de 20 mil euros. Dende o Goberno local din ser conscientes de que a cantidade, modesta, só lles permitirá levar a cabo traballos de recuperación "en 2 ou 3" inmobles, pero o obxectivo é que a iniciativa se estenda a boa parte das parroquias da localidade. Consideran, ademais, que o proxecto podería incluírse no futuro no programa A Estrada Social e Sostible 2020 co que o Concello aspira a recibir fondos europeos a través dunha convocatoria de axudas. Amalia Goldar, concelleira de Benestar Social, sinala que entre 30 e 40 escolas rurais do Concello da Estrada tiñan asociado algún inmoble con usos de vivenda (este extenso Concello, de 282 quilómetros cadrados, conta con 51 parroquias) e que, de momento, o Goberno local comezará a actuar sobre aqueles que requiran un menos esforzo económico para a súa rehabilitación.
NOS_42188
Candidatos e candidatas de Junts Pel Si publican hoxe en El País unha tribuna que responde á carta publicada o pasado domingo por Felipe González na que o ex presidente do Goberno español comparaba o proceso soberanista co fascismo e co nazismo.
"Para despacharse evocando o peor que sacudiu Europa, equiparando soberanismo a nazismo… hai que ser moi pouco responsábel", sinala a tribuna publicada por El País e asinada por Raúl Römeva, Carme Forcadell, Muriel Casal, Artur Mas, Oriol Junqueras, Lluis Llach, Gema Bel e Josep María Forné, en alusión á carta de Felipe González publicada polo diario español o pasado domingo, unha carta que cualifican de "libelo incendiario". As persoas asinantes advirten no texto do "máis preocupante da situación: os principais partidos españois comparten discurso e estratexia para con Cataluña. A mesma receita, a de sempre, sen tapuxos". "Cataluña amou España e séguea amando. Cataluña amou a solidariedade e a fraternidade con España e con Europa. E no caso de España fíxoo malia a ausencia de reciprocidade (…)", continúan, para lembrar que "Cataluña hai séculos que busca un encaixe co resto de España". "Así non se podía seguir, polo ben de todos. Por iso eclosionou en Cataluña un anhelo de esperanza", recolle o texto, que alude á sentenza sobre o Estatut e ás ofensas perpetradas polo Goberno central. "Cataluña é e vai seguir sendo unha sociedade democrática, que respecta a vontade dos seus cidadáns", expón a tribuna, que exemplifica con casos a tradición democrática do país. A base do acordo "é unha relación entre iguais, o respecto mutuo" Os membros da candidatura de Junts Pel Si insisten en que a base do acordo "é unha relación entre iguais, o respecto mutuo". "Só cabe emprazar todos os demócratas a ser consecuentes e asumir o mandato popular. Diso vai o 27 de setembro, de decidir se queremos forxar unha Cataluña que se asemelle a Holanda ou Suecia, que rexa o seu destino con plena capacidade, ou seguir polos mesmos derroteiros", engade. "Neste novo país que queremos poderase vivir como español sen ningún problema, mentres que agora é case imposíbel ser catalán no Estado español. O problema non é España, é o estado español que nos trata como súbditos", conclúe a tribuna, que pide democracia e respecto pola dignidade. El País publica un editorial crítico coa carta dos cataláns Xunto á carta, El País publica un editorial no que verte profundas críticas contra o texto asinado por candidatos e candidatas de Junts Pel Si. El País lembra que pon como límite das colaboracións de opinións tanto o respecto polos demais como a calidade do texto e sinala que "ningunha das dúas condicións se dan" na carta que publica. Tamén apunta o diario que a tribuna non aguanta "a máis lixeira análise razoada nin a máis benévola crítica literaria". Engade que decidiu publicar o texto por "renderlle tributo á pluralidade que sempre practicamos" e polo "indubidábel interese político da misiva".
PRAZA_7929
Lecturas de Cantares Gallegos en centros de ensino este venres, lecturas colectivas o sábado pola tarde ou un chamamento aos gaiteiros de todo o país para que boten unha peza para a poeta son algúns dos actos que levarán até unha homenaxe no Panteón de Galegos Ilustres o domingo ao mediodía
O 24 de febreiro conmemórase coma todos os anos o aniversario do nacemento da poeta en 1837 en Compostela. Pero este non é un ano máis: o 17 de maio farán 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, o fito que marcou o inicio do rexurdimento cultural de Galicia. Dende hai meses son moitas as entidades e persoas que veñen reclamando que coincidindo con esta efeméride o 2013 se dedique ao coñecemento e á reivindicación da poeta e se dote á celebración dun carácter oficial. O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro pola Consellería de Cultura e Educación no seu Calendario do Libro e da Lectura, pero non figura oficialmente no calendario escolar. A CIG reclamou recentemente que se recoñeza "como unha conmemoración centrada no recoñecemento e na difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e da nosa literatura" e pediu que "a Consellaría mude a súa postura insensíbel e inexplicábel cara ao idioma galego e admita esta proposta". Oficial ou non, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega (AELG) celebra lecturas colectivas en numerosas cidades e vilas o sábado 23 de febreiro e está organizando un acto nacional que se celebrará o domingo 24 no Panteón dos Galegos Ilustres. De igual xeito o 22 de febreiro haberá lecturas colectivas de poemas de Cantares Gallegos en moitos centros de ensino de todo o país. Ademais, anima a cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor no día do nacemento de Rosalía. No pasado 2012 a AELG promoveu unha moción a presentar nos concellos do país para instaurar o 24 de febreiro como Día Rosalía de Castro e, así, organizaren actos de celebración. A moción foi aprobada en Allariz, Ames, Betanzos, Deputación Provincial da Coruña, Fisterra, Foz, Lalín, Lobeira, Muros, Narón, Padrón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, O Rosal, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade. Alén das lecturas colectivas que terán lugar o venres e sábado, o prato forte chegará o domingo 24 ás 12 horas. No Panteón de Galegos Ilustres terá lugar un acto nacional onde serán lidos poemas de Cantares gallegos, ademais da realización dunha ofrenda floral acompañada da lectura dun manifesto a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias e de Xina Vega. Tamén dende a Fundación Rosalía, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo, estanse a organizar distintos actos para conmemorar os cento cincuenta anos desta obra. Na mañá do domingo 24 de febreiro animan a que todos os grupos de música tradicional e gaiteir@s que o desexen, saian ás rúas, camiños, prazas, lugares simbólicos..., para botar unha peza na honra da poeta, podendo espallar unha octavilla cun manifesto que explica o motivo e razón da iniciativa. De igual xeito tamén organizarán actos de homenaxe ao longo da fin de semana O terzo da fala en Bos Aires, a Asociación de Mulleres Floralba de Ponteareas, o Concello de Fisterra, ou a Asociación Cultural "Vagalumes" da Estrada.
NOS_8323
No semanario desta semana repasamos a traxectoria vital e profesional do arquitecto Xosé Bar Boo, xusto cando se compren cen anos do seu nacemento.
Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número de Sermos Galiza. O semanario abre esta semana cunha reportaxe dedicada á vida e obra do arquitecto Xosé Bar Boo, xusto cando se compren 100 anos do seu nacemento. A fotografía amadora protagoniza o 'Sermos Galiza' deste sábado Na peza, asinada por Iago Valverde, repásase a traxectoria dunha "persoa comprometida coa súa profesión, co país e coa ecoloxía". "Foi un dos recuperadores da arquitectura moderna na Galiza dos anos 50, nun contexto dominado pola retórica franquista. Naquel tempo, as cidades medraban sen control", sinala o autor da reportaxe. Neste sentido, Valverde salienta que "Bar Boo opúxose á mediocridade e mantívose fiel ás súas conviccións, o que lle supuxo non ter moito traballo, mais as obras que levou a cabo son exemplo de creatividade e innovación". Entrevista a Mario Regueira A entrevista desta semana plasma a conversa que a xornalista Montse González mantivo con Mario Regueira, crítico literario para Sermos Galiza desde hai dez anos e que, recentemente, vén de pór punto final a esta actividade "para poder atender outras obrigas laborais". Regueira repasa na entrevista a súa experiencia durante todos estes anos, dos consensos da literatura galega ou das dificultades para facer crítica nun país pequeno cunha lingua minorizada. Decrecer para subsistir A segunda reportaxe deste número de Sermos Galiza trata o tema do decremento, unha cuestión "incluída na axenda política e mediática do novo curso político", segundo explica a xornalista Mar Álvarez, autora desta peza. En que consiste o decrecemento e que relación ten co cambio climático? Que papel xogan os medios de comunicación? Podemos falar de "ecofeminismo"? Estas e outras preguntas son as que intenta responder Álvarez coa súa reportaxe. Música, arte e lecer O apartado musical corre a conta de Belém Tajes, que trae as últimas novidades, a comezar por Botánica, de Abe Rábade, mentres César Morán asina o artigo titulado O bombardino de Charles Anne. Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, entre eles The innocents, de Eskil Vogt, e Manuel Xestoso ofrece na sección de Escena un artigo sobre a compañía de teatro Chévere. Noutra orde, Tensi Xesteira debulla o libro Aínda invisíveis? Narradoras e margens na literatura galega contemporânea, de Lorena López López (Através), mentres Susana Sanches Aríns fala de Miquits, de Alba de Evan e Xabier Domínguez (Antela Editorial). Aliás, o colectivo Xea trasládanos á fraga da Cabana Vella, nos Ancares. Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa. Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado acompañando o xornal Nós Diario 64 páxinas por tres euros!
NOS_33657
Aínda que o 2020 fose un ano terrible para case todos os sectores, en especial o das artes, a Editorial Galaxia, na súa colección Sonárbore, non parou a maquinaria. Entre os escasos traballos que saíron neste tráxico ano, está 'Lingua guapa, cantos que contan…'.
É un libro-disco con autorías compartidas. O compositor da maioría das cancións e director musical é Néstor Blanco, e a autora dos textos Fina Casalderrey. Lingua guapa. Cantos que contan… / Néstor Blanco e Fina Casalderrey / 2020 /Editorial Galaxia / Catorce pezas / 20 euros Chama a atención o despregue inxente de instrumentistas colaborando no disco: Gustavo López, Pachi Cruz, Adrián Solla, Xoana, Martiño Malleiro, Lorena Varela, Raquel Miguélez, Miriam Buceta, Sergio Heredia, Fernando Ramón, Damián D'Alessandro e Daniel Otero. Ademais, tamén participa a Xove Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra (que son unha chea delxs!). Pola parte das voces, hainas infantís, como o Coro Infantil CEIP Álvarez Limeses ou o Coro Luís García Limeses, e adultas. Nestas, mestúranse voces referentes do panorama con outras máis descoñecidas. Cantan Laura Alfonso, Xoana, Enrique Martínez, Uxía, Ángeles Ruibal, Sabela Trigo, Miguel Pérez, Ana Trabazo, Manoele de Felisa e o propio Néstor Blanco. Destaco a Enrique Martínez no tema "O Sapo", que me lembra ao punto oscuro que tiña Carmiña Vacaloura e que me encanta; e a Uxía, que todo o que toca se converte en ouro, co tema "Nomeando a Chuvia". E é de especial beleza a peza "Vou Cambiar o mundo", con orquestra e coro infantil. Os arranxos están coidados, e cada tema é diferente (máis rockeiros, máis jazzeiros, electrónicos, outros con arranxos orquestrais, outros que miran a latinoamérica)… e isto fai que se escoite o disco enteiro sen ter un ápice de sensación de monotonía. Ademais, a pesar de que contén 14 pezas, non teñen unha duración moi longa. Algo curioso no libro é que antes das pezas hai unha selección de fragmentos de poetas galegas e galegos –de calquera época- relacionados co tema que vén a continuación ou co leimotiv xeral do traballo. Ademais, esta escolla queda bastante equilibrada entre autoras e autores. As ilustracións son de Lucía Cobo e o deseño é limpo e agradable. Como único punto negativo, hai moitísimos desprazamento de acentos entre as palabras e as melodías, algo que non axuda á comprensión, sobre todo nun traballo feito para nenas e nenos. Vou cambiar o mundo nun plisplás. Vou cambiar o mundo por un que me guste máis.